ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
PRAZA_10803 | A resposta dos gobernos do estado é tímida, en ocasións incluso de costas ó sector e tomando medidas que propician o abandono das empresas da loita por unha actividade que en Galicia ten un forte impacto, a aposta forte da UE é a acuicultura e o peso da pesca na estratexia europea de España é menos que pouco. | Eran aqueles tempos en que todos coñecemos a famosa "prima de risco", ese sistema macroeconómico do estado para financiarse, cando un triunfante pero gris Zapatero anunciou que China invertía 9.000 millóns de euros en salvar a España do rescate. O que se esqueceu de contar era o motivo de que China fose tan xenerosa, supoño que non polas dotes de Zapatero, pero imos vendo. Hoxe parece ser que a potencia asiática ten o 20% da nosa débeda soberana.Dende aquela, os intereses do maior estado comunista mundial en Africa foron medrando no relativo a pesca. Acordos con estados do corno africano e fortes inversións en portos e infraestruturas, iso si a o bo sistema de crédito comunista. Mauritania, Santo Tomé e Príncipe, Guinea-Bissau, Serra Leona, Namibia, Gabón, Camerún, Somalia e Angola teñen xa acordos de pesca coa China. E a expansión segue.Son máis de 2.500 buques de gran altura os que abastecen a súa demanda interna e dominan máis dun terzo do total de capturas mundial na actualidade, mais non cobren de ese xeito a totalidade da demanda propia. É segundo analistas dos EUA, unha estratexia militar da república popular é controlar o abastecemento interno de peixe e de ese xeito actúan.Non é preciso contar que a maior flota mundial nos anos 1980 era a de España e a maior proxección en augas non xurisdicionais era a flota Galega, con moitos intereses en Africa. Intereses que non sempre foron ben defendidos dende Madrid e Bruxelas, cuestión que fai que a flota galega estean en constante risco na actualidade diante dunha situación xurídica inestable nas relacións UE e Africa. Baleiro que aproveitou a flota asiática.China está na actualidade mirando cara América do Sur, e os seus caladoiros, hoxe explotados de forma ordenada e sostible pola nosa flota de gran altura, pero ó igual que Gran Sol ameazados polo Brexit e as posibles consecuencias.A resposta dos gobernos do estado é tímida, en ocasións incluso de costas ó sector e tomando medidas que propician o abandono das empresas da loita por unha actividade que en Galicia ten un forte impacto, a aposta forte da UE é a acuicultura e o peso da pesca na estratexia europea de España é menos que pouco. No relativo a Galicia temos que entender que a pesca é parte da nosa propia identidade e parte da forma de vida do noso pobo e tamén é un motor económico importante, polo que urxe un grande pacto político pola pesca galega e unha unidade de acción entre políticos e sectores implicados para ter peso en Bruxelas.Da que pensar: a República Popular China soamente mercou débeda? Ou tiña moeda de cambio, a pesca galega? |
NOS_55273 | Transporte, ensino, estiba, agricultura ou comercio están a secundar amplamente a convocatoria, así como a pequena e mediana empresa. Un total de 24 manifestacións cortaron estradas e autoestradas. Ducias de miles de persoas participan en mobilizacións en cidades e vilas do país. Centos concentráronse perante os colexios danados pola policía nas súas intervencións. | Un país parado para rexeitar a represión e violencia policial. Unha imaxe inédita en Europa. Mais tamén era inédita en Europa a imaxe de antidisturbios a mallar en colas de votantes. A greve xeral convocada por sindicatos alternativos e o paro nacional apoiado pola 'Táboa democrática' deixan unha terza feira que racha coa normalidade en Catalunya. O seguimento está a ser moi amplo, nomeadamente en sectores como a agricultura, a estiba (100%), o ensino, o comercio ou o transporte público, así como en pequenas e medianas empresas. Mercabarna, o polígono alimentar que concentra os mercados maioristas de Barcelona e contorna, non opera após decidir as 770 empresas que a integran secundar o paro. As dúas principais factorías, Seat e Nissan, están a operar, mais a greve déixase notar noutros polígonos industriais, segundo CGT, CNT, COS, Intersindical- CSC e IAC. Hai naves e fábricas fechadas e levantáronse barricadas nalgúns accesos a polígonos. Ente as pequenas e medianas empresas, o seguimento abala entre 50 e 70&. Un total de 24 manifestacións ocuparon e cortaron estradas e autoestradas en diferentes partes da rede viaria catalá, provocando importantes retencións. Aliás, varios medios de comunicación cataláns tamén se sumaron ao paro, nomeadamente os dixitais, anunciando que só cubrirían a información relativa a esta cuestión. O portavoz do PP no Congreso dos Deputados, Rafael Hernando, cualificou de "nazi" a greve xeral en Catalunya e afirmou ter a impresión de que "ERC e CUP están desexando que haxa mortos". Concentracións Centos de persoas tomaron parte tamén nas concentracións que decorreron nesta terza feira perante os colexios danados por Policía e Garda Civil nas súas intervencións para decomisar urnas e papeletas e evitar que a xente votase. ä porta destes centros e nas súas reixas, as persoas concentradas depositaron caraveis. Por outra parte, en Madrid convocouse unha cimeira de urxencia para analizar a situación da Garda Civil e Policía Nacional enviada a Catalunya con motivo do 1-O. En varias vilas a veciñanza exixíu que os axentes marchasen dos hoteis onde se hospedan. Un clamor que foi a máis após que, na noite do domingo, policías á paisana e armados con porras extensíbeis agredisen veciños en Calella. Diferentes sindicatos asinan un manifesto sindical en apoio á greve xeral convocada para o 3 de outubro en Catalunya. Defenden o dereito de autodeterminación e a decidir como saída "para unha experiencia democrática real". CIG, ELA, LAB, CUT, Intersindical Valenciana, Intersindical Canaria, SAT, Colectivo Unitario de Trabajadores (CUT), ESK, CUT (Galiza), CSI, Confederación Intersindical, COS, STEILAS e STEI. Imaxes de @iontelleria, @Nació Digital |
NOS_1694 | Trasladados catro pacientes de Pontevedra ao Hospital do Salnés pola alta presión hospitalaria de patoloxía por coronavirus. | A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantén en estudo un foco de Covid-19 no servizo de Medicina Interna do Hospital Montecelo con, polo menos, 11 profesionais contaxiados e seis pacientes. Así o confirmaron fontes consultadas por Europa Press, que indicaron que a situación sobre este surto foi abordada nunha reunión do comité de saúde laboral convocada esta terza feira. Respecto diso, o representante de CIG-Saúde en Pontevedra, Ramón Otero, indicou a Europa Press que na reunión ratificáronlles 11 positivos de traballadores e outro seis contaxios de pacientes. No caso concreto dos pacientes con Covid contaxiados no servizo de Medicina Interna do Hospital Montecelo foron trasladados desde a planta na que se atopaban á zona Covid deste hospital, puntualizou Otero. Por outra banda, fontes da Dirección da área sanitaria de Pontevedra confirmaron a Europa Press que esta segunda feira trasladaron catro pacientes con Covid ao Hospital do Salnes e engadiron que "se fose preciso asistencialmente, seguiranse trasladando alí". Iso, puntualizaron as mesmas fontes, "só no caso de que fose necesario, por alta presión hospitalaria de patoloxía Covid" en Pontevedra e de que o propio Hospital do Salnes "manteña como até agora a capacidade para asumir traslados". |
NOS_34745 | A CIG denuncia que a Consellaría de Educación pretende amortizar 48 prazas de subaltern@s e auxiliares de centros de ensino que están cubertas por persoal interino. Unha política na liña do 'ERE encuberto' iniciado na Consellería de Traballo coa amortización de 251 postos | O goberno autonómico semella que opta por poñer o turbo na súa aposta pola regulación de emprego na administración pública. Pouco despois de que os sindicatos denunciasen a intención de Feijóo de aplicar un ERE na Consellaría de Traballo, amortizando 251 prazas, a CIG denuncia que esa mesa pauta quere extenderse a outrios departamentos, como o de Educación. A central nacionalista denuncia o despedimento de 48 interin@s. Fernando García, da CIG-Autonómica, considerou que "as declaracións que fixo Feijoo de que non se ían producir despedimentos da administración resultan ser falsas". A isto engade que "nin sequera se cumpre o recollido no Proxecto de Lei de Orzamentos de amortizar todas as vacantes sen ocupación, senón que amortizan vacantes que están ocupadas". Consecuencias A CIG alerta de que isto vai repercutir sobre a cidadanía, xa que en moitos centros de ensino se vai ver como hai unha merma nos servizos complementarios, na atención ao alumnado, na celeridade dos trámites administrativos das secretarías e na vixilancia e custodia dos centros, entre outras. "É un deterioro máis no eido do ensino público xa que malia tratarse de persoal administrativo e de servizos presta un apoio fundamental para que se desenvolva correctamente a actividade docente", denunciou García. Relacionan ademais todo isto co proceso que xa se puxo en marcha na consellaría de Traballo onde se amortizan un total de 251 prazas das cales 80 están ocupadas. |
NOS_30318 | O asasinato en setembro de 2013 do rapeiro e activista de esquerdas Pavlos Fyssas por parte dun membro de Amencer Dourado supuxo o comezo do ocaso deste partido político neonazi, que xa nas pasadas eleccións xerais gregas non logrou representación parlamentaria. Onte apagóuselle a luz por completo en forma de sentenza xudicial. | "O proceso xudicial máis longo na historia de Grecia e o máis importante xuízo a nivel global ao nazismo desde Nuremberg chega ao seu final", escribía o xornal de esquerdas Avgi pouco antes de se coñecer a sentenza do Tribunal de Apelación de Atenas. Esta chegou onte: a xustiza decretou que a cúpula de Amencer Dourado, incluído o seu líder, Nikolaos Michaloliakos, é culpábel de dirixir unha organización criminal. A decisión, histórica, chega despois de entender que os crimes cometidos por membros e militantes deste partido neonazi, que no seu día foi terceira forza política do país con 18 dos 300 escanos do Parlamento, foron realizados baixo o amparo e as ordes de Amencer Dourado. O tribunal debíase pronunciar sobre tres casos. O primeiro, o asasinato do rapeiro e activista de esquerdas Pavlos Fyssas: de 34 anos e coñecido polo nome artístico de Killah P, foi apuñalado o 18 de setembro de 2013 por un home que traballaba na cafetaría das oficinas de Amencer Dourado. O segundo, a tentativa de homicidio de varios mariñeiros exipcios, o 12 de xuño de 2012. E o terceiro, outro intento de asasinato, neste caso contra membros da fronte sindical comunista PAME, o 12 de setembro de 2013. O proceso xudicial prolongouse durante máis de cinco anos. As máis de 15.000 persoas, segundo os medios locais, que se concentraron ante o tribunal recibiron con aplausos o veredicto. Segundo o diario Kathimerini, producíronse algúns incidentes coas forzas de seguridade despregadas, uns 2.000 axentes da Policía. Entre os presentes estaba a nai de Fyssas, que recibiu con emoción a sentenza, segundo a televisión pública ERT. Editorial conxunto Tamén alí estaba o ex primeiro ministro Alexis Tsipras, da esquerdista Syriza, que, canda outros líderes políticos ─entre estes, o actual premier, Kyriakos Mitsotakis─, asinou unha columna de opinión o pasado domingo no xornal Efimerida ton Sintakton pedindo xustiza contra Amencer Dourado. Alén de Tsipras e Mitsotakis, tamén firmaron a peza Antonis Samaras, ex primeiro ministro de Nova Democracia, partido de Mitsotakis; Fofi Gennimata, presidenta do socialdemócrata Pasok; Dimitris Koutsoumpas, secretario xeral do Partido Comunista de Grecia; e Yanis Varoufakis, ex ministro de Economía con Tsipras. O ocaso de Amencer Dourado iniciouse co asasinato de Pavlos Fyssas. Unha enquisa realizada na altura mostraba un importante descenso no apoio á formación a partir do crime. Tamén reflectía a idea de que a ampla maioría da cidadanía grega consideraba que este partido ameazaba a democracia. Pola súa banda, a formación política sempre defendeu que estaba a ser vítima dunha persecución xudicial. Nos últimos anos foi perdendo forza e na actualidade renega da ideoloxía nazi. Nas pasadas eleccións xerais, de xullo de 2019, non conseguiu representación parlamentaria ao non chegar ao mínimo de 3% dos sufraxios. Avance en Europa Para a ONG Amnistía Internacional, que estaba onte presente na sala do tribunal, "as actividades de Amencer Dourado puxeron de manifesto unha fisura que existe non só na sociedade grega, senón en toda Europa e noutras partes do mundo". "A histórica sentenza de hoxe é un recoñecemento da ameaza sistémica que representa para as nosas sociedades un grupo violento e racista, e un compromiso de que non se debe permitir que esta ameaza continúe", sinalou aos medios de comunicación Nils Muižnieks, director de Amnistía Internacional para Europa. Esa "ameaza" mantense moi viva no continente. Na pasada terza feira, por exemplo, o Goberno de Alemaña publicou un informe detallando máis de 350 casos de episodios de extrema dereita rexistrados no seo das forzas de seguridade do país. Nomeadamente, 319 producíronse nas axencias policiais dos länder e outros 58 nos servizos de seguridade federais, todos entre xaneiro de 2017 e marzo deste ano 2020. Noutros países como Portugal tamén se está a vivir un ascenso da ultradereita a nivel político, que a Rede Europea contra o Racismo (ENAR) culpa do aumento de casos de violencia racista dos últimos tempos. O máis grave aconteceu en xullo pasado, cando o actor negro Bruno Candé foi asasinado a tiros polas costas. ENAR cualificouno de "crime racista explícito". Con todo, segundo unha enquisa de Politico, o apoio popular á extrema dereita descendeu na maioría dos países do Vello Continente por mor da pandemia. A excepción, Eslovaquia, Polonia, Italia e Hungría, onde subiu. |
NOS_31267 | O Exército informou de 13 escolas incendiadas nos dous últimos meses, de polo menos 200 persoas secuestradas para pedir rescate e dun número indeterminado de civís desaparecidos. | O Goberno do Camerún anunciou o fechamento de máis de 60 colexios da rexión norte fronteiriza con Nixeria ante o incremento dos ataques do grupo xihadista Boko Haram, que utiliza cada vez máis a miúdo os atentados suicidas. O Exército foi despregado nas zonas consideradas seguras para garantir o dereito á educación, aínda que o responsábel de Educación para a rexión norte, Ousmanou Garga, recoñeceu que moitas das zonas xa non son fiábeis. "Sesenta e dúas escolas foron clausuradas. As nenas e os nenos tiveron que ser escolarizados noutros colexios moi lonxe das súas aldeas ou directamente deixaron a escola. Até 34.054 estudantes están rexistrados como desprazados internos", explicou en declaracións á emisora Voice of America, recollidas polas axencias de noticias internacionais. Desde xaneiro contabilizáronse polo menos tres ataques de Boko Haram cada semana, a maioría suicidas e sobre todo contra mulleres e crianzas. O Exército informou de 13 escolas incendiadas nos dous últimos meses, de polo menos 200 persoas secuestradas para pedir rescate e dun número indeterminado de civís desaparecidos. O coronel Ndikum Azeh, comandante da misión do Exército camerunés contra Boko Haram en varias zonas, asegurou que están para protexer a poboación civil e que hai militares que traballan como profesores para os desprazados nas zonas consideradas máis seguras. Escola Segura As ONG e grupos humanitarios e de defensa dos dereitos humanos pediron a Boko Haram que respecte a Declaración Escola Segura subscrita a nivel internacional. Desire Fouda, da ONG School First, sinalou que esta declaración busca protexer o alumnado e garantir o seu dereito á educación. |
PRAZA_20214 | ENTREVISTA | Ouvirmos presenta este martes cun concerto na Coruña o libro-CD Eugenia Osterberger. A compositora galega da Belle Époque (1852-1932), das investigadoras Beatriz López Suevos e Rosario Martínez, que salienta a falta de recoñecemento desta figura. | Eugenia Osterberger (Santiago de Compostela 1852 - Niza 1932) foi unha compositora galega que traballou a cabalo dos séculos XIX e XX contribuíndo de forma singular á creación dunha música galega académica de raíz popular, creando ducias composicións para piano solista así como cancións ou melodías galegas para voz e piano. Ademais, participou de forma activa na vida cultural e social da Coruña e Compostela, cun contacto moi estreito con Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova, Canuto Berea ou Filomena Dato e foi académica correspondente da Real Academia Galega desde a súa fundación. Porén, hoxe en día é toda unha descoñecida, mesmo nos ámbitos estritamente musicais. Nos últimos anos investigadoras como Rosario Martínez ou Beatriz López Suevos veñen traballando na recuperación das súas obras -non documentadas ata agora na súa meirande parte- e fomentando a súa difusión e recoñecemento. Recentemente publicaron o libro-CD Eugenia Osterberger. A compositora galega da Belle Époque (1852-1932), que percorre a súa vida, analiza a súa obra e permite escoitar 15 das súas pezas de orixe máis popular, coa propia López Suevos ao piano e a voz de Susana de Lorenzo. Ademais, este martes ás 20 horas a Real Academia Galega de Belas Artes acollerá un concerto de presentación. Naceu en Compostela, filla dun gravador e litógrafo alsaciano que chegara a Galicia para traballar con Enrique Luard Falconier e acabou instalándose aquí, casando cunha muller coruñesa. Xa dende moi pequena, Eugenia Osterberger desenvolveu a súa paixón pola música e aos nove anos tivo o seu primeiro piano, mercado na tenda de Canuto Berea, director de orquestra e futuro alcalde da Coruña. Mantivo correspondencia con Berea ao longo da súa vida, chegando a pedirlle anos máis tarde que lle alugase un piano (do que nese momento carecía) porque sen o instrumento ela sentíase "corpo sen alma, espírito sen alimento". "Eugenia Osterberger contribuíu de forma singular á creación dunha música galega de raíz popular. É a única compositora galega da Belle Epoque" Osterberger nunca perdeu esta paixón pola música, a pesar do seu matrimonio con François Saunier, director da Fábrica de Gas da Coruña, de quen tomou o seu apelido e co que tivo sete fillos (máis outros dous que o home tiña dun matrimonio anterior, pois Saunier era viúvo). Nos anos seguintes seguiu compoñendo pezas, moi inspiradas polos estilos máis de moda no continente europeo, máis buscando nas letras a raíz popular e tradicional galega, e relacionouse con algunhas das figuras intelectuais máis importantes da Galicia do momento e do propio galeguismo. Ata que en 1908 marcha a Francia e perde contacto con Galicia. "Eugenia Osterberger contribuíu de forma singular á creación dunha música galega de raíz popular. É a única compositora galega da Belle Epoque", destaca a investigadora Rosario Martínez, que a sitúa á altura de Juan Montes ou Chané e subliña o descoñecemento que hoxe en día se ten da súa obra en Galicia. "Unha muller tiña todas as dificultades do mundo para poder desenvolver con certa profesionalidade unha actividade artística. Visto coa perspectiva dos anos, o que facía ten un mérito enorme. Foi unha heroína", destaca. "Cando alguén investiga a obra dunha muller lévalle moitísimo máis tempo e esforzo, porque están ocultas, invisibilizadas" "Cando publicamos os primeiros traballos sobre ela, en 2013, apenas a coñecía ninguén", di Martínez, que recoñece que "eu dei con ela cando estaba recollendo materiais para a miña tese de doutoramento sobre Sofía Casanova". "Creo que en parte a culpa do descoñecemento a ten o seu apelido paterno -Osterberger- e o apelido do seu home -Saunier-. Tomárona por unha muller que pasaba por aquí, pero que non era de aquí", comenta. "Outro problema foi que ela nunca se puido dedicar de forma profesional á música. Tivo que criar nove fillos, e ademais isto de ser compositora ou intérprete musical non era decoroso para unha muller", di. "Unha muller non tiña que pintar nin que tocar música máis que un pouquiño, para adornar o seu currículo e casar ben", engade. Rosario Martínez salienta as dificultades que todo investigador ou investigadora atopa á hora de estudar unha figura histórica feminina: "Cando alguén investiga a obra dunha muller lévalle moitísimo máis tempo e esforzo, porque están ocultas, invisibilizadas. O decoro da época impedía que aparecesen nos xornais, certos periódicos seguramente nin recollían determinadas producións artísticas feitas por mulleres, por se ofendían as grandes familias locais. A ver quen era o valente que publicaba estas actividades nun diario ou nun libro!". "Así é moito máis difícil dende o presente investigar o que certas mulleres fixeron", di. "Unha persoa que dende Galicia facía obras que estaban á altura da mellor música do continente naquela altura forzosamente ten que ter un lugar na historia da nosa cultura. E máis tratándose dunha muller, porque non temos tantas" Martínez reclama un maior recoñecemento para Eugenia Osterberger: "unha persoa que dende Galicia facía obras de arte que estaban á altura da mellor música do continente naquela altura forzosamente ten que ter un lugar na historia da nosa música e da nosa cultura. E máis tratándose dunha muller, porque non temos tantas". E destaca que a súa dimensión pode aínda crecer. Neste momento apenas de coñecen unhas poucas ducias de composicións realizadas por Osterberger, pero tendo en conta que unha das pezas leva o título de opus 158, a súa produción puido ser moi abondosa. "Cando publicamos as primeiras informacións sobre ela, aínda non coñeciamos moitas das obras das que agora si damos conta no libro. Antes só tiñamos as partituras que podiamos achar en fontes galegas, pero nos últimos anos estivemos investigando en arquivos franceses, atopando moitas máis", explica a investigadora. Música culta de raíz popular "Foi capaz de comprender e asumir ese proxecto que construíron outros intelectuais galegos do momento. Soubo entender ese obxectivo e secundouno co que sabía facer: a composición musical" Nunhas décadas nas que se estaba a construír a moderna identidade nacional galega (en paralelo con procesos semellantes en toda Europa), Eugenia Osterberger "foi capaz de comprender e asumir ese proxecto que construíron outros intelectuais galegos do momento. Soubo entender ese obxectivo e secundouno co que sabía facer: a composición musical", destaca Rosario Martínez. "Por iso ela nas súas composicións preferiu empregar as letras de poetas que escribían en galego, como Filomena Dato, Juan Armada, Manuel Lois... e transformalas en pezas musicais. Ou recorreu ao cancioneiro de Pérez Ballesteros para utilizar as cancións populares. Facía o mesmo que se estaba facendo en Alemaña co lied: elevar a un nivel culto o que era popular, dándolle unha nova categoría á cultura popular", explica. Tamén se integrou na Sociedade do Folklore galego, que presidía Pardo Bazán e na que participaban outros intelectuais. Coincidiu no tempo cunha xeración de mulleres galegas moi activas e que abriron camiño en moitos ámbitos, dende a propia Pardo Bazán a Sofía Casanova, pasando por Fanny Garrido ou Filomena Dato, seguindo o ronsel de Juana de Vega, Concepción Arenal ou Rosalía de Castro. E viviu tamén nun momento doce para a creación musical en Galicia, coas figuras de Canuto Berea, Marcial del Adalid, Juan Montes, Xosé Castro Chané, José Baldomir ou Pascual Veiga. "Facía o mesmo que se estaba facendo en Alemaña co lied: elevar a un nivel culto o que era popular, dándolle unha nova categoría á cultura popular" "Eugenia Osterberger estaba en contacto cos novos movementos musicais que estaban de moda en Europa. Algunha das súas pezas non lle teñen nada que envexar a algunha das composicións de Fauré", salienta Rosario Martínez, que sinala que "o seu estilo foi cambiando a medida que evolucionaban os estilos e os gustos estéticos nas primeiras décadas do século XX. E colaborando deste xeito coa onda intelectual que pretendía revalorizar e dignificar a cultura galega". "Co seu traballo, hoxe aínda en parte descoñecido, contribuíu notablemente á consolidación da melodía galega, xénero inherente ao noso acervo musical", conclúe. Eugenia Osterberger: A compositora galega da Belle Époque (1852-1932), na web de Ouvirmos |
NOS_601 | Segundo fontes policiais a agresión produciuse "por un bico". | A plataforma Avante LGBT+ Vigo e a asociación Nós Mesmas convocaron para esta sexta feira unha concentración de repulsa por unha agresión homófoba que tivo lugar na cidada de Vigo a semana pasada. Esta agresión aconteceu na praza de Portugal da cidade olívica e, segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada do sábado día 16 ao domingo día 17, onde as vítimas, dous mozos, estaban, de acordo coas fontes, "dándose un bico". Asaltan e agriden gravemente dous rapaces en Vigo após bicarse Neste sentido, indican que "outros mozos que estaban na praza achegáronse a eles para increpalos e comezaron a agredilos, causándolles lesións de diversa consideración", que obrigaron a evacualos a un centro hospitalario. En declaracións a Nós Diario e en representación de Avante LGBT+ Vigo, Victoria Olivia manifestou a súa repulsa e salientou a súa preocupación ante o aumento de agresións desta índole nos últimos tempos. "Desde finais do ano pasado vimos notando un ascenso considerábel deste tipo de agresións, antes tiñamos coñecemento de agresións cada certos meses, agora practicamente cada mes hai unha ou máis", indica. Ademais, aproveita para incidir na necesidade de "concienciar a poboación para erradicar este tipo de agresións que, infelizamente, son demasiado comúns no noso país e no conxunto do Estado, e educar as crianzas para que non teñan comportamentos de odio que deriven nestes delitos". A LGBTfobia na Galiza Nós Diario informaba a semana pasada de que na Galiza se rexistraron máis de 400 delitos de odio entre 2013 e 2020, dos cales máis da metade (230) foron por racismo e xenofobia e, principalmente, pola orientación sexual e identidade de xénero da vítima, unha situación que nestes anos padeceron máis de 200 persoas. Cada 12 días hai un delito racista ou LGTBfobo na Galiza |
NOS_34411 | O antigo El-Rei Juan Carlos segue nos corredores das elites malia a operación cosmética que impuxo a súa abdicación. Agora quere crear una Fundación que actúe como ariete de influencia sobre as políticas públicas. | Debía estar descansando, reservando a súa triste saúde para algún acto simbólico e, quen sabe, dedicado a gozar desa inmensa fortuna que moitas informacións lle atribúen, cunha orixe nada brillante. Mais non. O pai do actual Rei, o que exerceu de monarca durante catro décadas -como o seu antecesor, que o nomeou, Francisco Franco- Juan Carlos I de Borbón quere seguir mandando. Desde as sombras. 'El País' di que a Fundación estará composta por "grandes personalidades", ou sexa, outro poder paralelo Segundo conta o diario madrileño El País -que ten excelentes relacións coa Casa Real- o patriarca borbónico non só manobra para evitar que a súa filla sexa condenada polo escándalo Urdangarín, senón que ten en mente criar unha Fundación "con grandes personalidades", que se supón levará o seu nome. E que, de seguro, se converterá nun lobby de grande influencia para beneficiar as elites que forman parte do seu círculo. Máis que posíbel é que ese grupo se convirta nun poder paralelo, outro máis, e que intente ditar as políticas públicas sen pasar polas urnas, como ocorre coa monarquía. A maiores, o diario afirma que Juan Carlos de Borbón non pensa divorciarse, malia que hai anos que non convive coa súa esposa, a que foi Raíña Sofía, aínda que mantiveron con cartos públicos unha aparencia de "normalidade". |
NOS_802 | O líder de Azul e Branco recibiu no domingo o apoio da maioría da Knesset e nesta segunda feira, a encomenda de formar Goberno. | O líder do partido centrista Azul e Branco, Benny Gantz, comprometeuse a intentar formar un Goberno "amplo" no prazo máis breve posíbel dadas as actuais circunstancias. Primeiro, pola pandemia do coronavirus, e segundo, pola situación de interinidade política do país tras tres eleccións en menos dun ano. Gantz, xefe do Exército israelí durante a guerra en Gaza, en 2014, recibiu formalmente hoxe, segunda feira, 16 de marzo, o encargo do presidente, Reuven Rivlin, para formar Goberno despois de que no domingo lograse o apoio de 61 dos 120 deputados da Knesset, a Asemblea. טקס הגשת כתב המינוי והטלת תפקיד הרכבת הממשלה על חבר הכנסת בני גנץ. שידור חי מבית הנשיא https://t.co/VJSdSFA0Cq— ראובן (רובי) ריבלין (@ruvirivlin) March 16, 2020 O ex militar congregou o voto do seu partido así como da Lista Conxunta, coalición de catro partidos, predominantemente árabe, que obtivo 15 escanos nas eleccións do 2 de marzo. O Likud do primeiro ministro saínte, Benjamin Netanyahu, fixérase con 36; Azul e Branco, con 33, e Yisrael Beitenu, o partido do ex ministro ultradereitista Avigdor Lieberman, con 7. "Urxencia nacional e global" "Unhas cuartas eleccións non son posíbeis e a chave para a formación dun goberno en Israel está actualmente nas súas mans e nas de todos os cargos electos de todos os partidos", defendeu Rivlin, que lembrou a Gantz o prazo de 28 días para formar Goberno. "É curto, mais dadas as actuais circunstancias de urxencia nacional e global, é longo de máis", sinalou, segundo recollen os medios locais. Neste sentido, Gantz comprometeuse a facer todo o posíbel para "forxar nuns poucos días un Goberno o máis amplo e patriótico posíbel". "Servirei aos votantes de todos os partidos e a toda a cidadanía de Israel", asegurou, e comprometeuse a "curar" a sociedade do coronavirus así como "da enfermidade da división e do odio". |
PRAZA_8456 | O Goberno galego reduciu en case un 5% o seu cadro de persoal nos últimos catro anos, nos que tamén aplicou diversos recortes de remuneracións e dereitos sociais e 'estreou' a reforma laboral para despedir traballadores e traballadoras da Consellería de Traballo | "Non hai nin ERE nin despedimentos". O director xeral da Función Pública da Xunta, José María Barreiro, repetiu en diversas ocasións, como o propio presidente, que a tesoira non se estaba poñendo a funcionar no cadro de persoal da Administración autonómica. "Amortizacións", "racionalizacións" e termos semellantes son empregados con asiduidade dende San Caetano para contrarrestar as críticas dos sindicatos, que aseguran contar con datos de que os despedimentos existen. Con ou sen despedimentos, o propio Goberno galego vén de recoñecer que en apenas catro anos aplicou unha importante redución no número de empregados e empregadas públicas. O dato non chegou nunha rolda de prensa, nin sequera nun debate no Parlamento. Fíxoo a través dunha resposta parlamentaria escrita, documentos que adoitan pasar desapercibidos para a opinión pública, neste caso a instancias da deputada do PSdeG Beatriz Sestayo. A socialista cuestionaba o Goberno polo volume do seu cadro de persoal dende 2010 ata a actualidade e a resposta amosa ás claras que a Xunta prescindiu dun total de 4.164 empregados e empregadas nese período, o que implica unha rdución do 4,6%. A Xunta ten actualmente un cadro de persoal formado por 87.026 persoas Nomeadamente, no ano 2010 -primeiro no que a Xunta se administrou con orzamentos elaborados polo Goberno de Feijóo- traballaban ao servizo da Administración autonómica 91.190 persoas, segundo os mesmos datos oficiais. Un ano despois, en 2011, esa cifra xa se reducira ata 89.219 e en 2012 a tesoira deixounos en 87.714. A tendencia non se invertiu tras o período electoral. Así, o Goberno galego sinala que a comezos do presente 2013 a Xunta contaba con 87.026 traballadores e traballadoras. A redución obsérvase tamén cunha ollada ao anexo de persoal dos Orzamentos da Xunta. Só na Administración xeral -excluídos organismos autónomos-, pasouse dun plantel de 52.222 persoas en 2010 a 49.681 en 2013. Xunto a este adelgazamento do cadro de persoal, os funcionarios e persoal laboral que quedan na Administración están a facer fronte a notables recortes nas súas remuneracións e dereitos sociais. Así, por exemplo, dende maio de 2012 a retallada no salario durante as baixas por enfermidade. Ademais, dous meses despois das eleccións do 21 de outubro, o Goberno anunciaba un recorte medio do 4% no salario do seu persoal, o cal incluíu medidas como a rebaixa na paga extra sen que o Estado obrigase a facelo. Do mesmo xeito, neste mes de febreiro a Consellería de Traballo estreou a reforma laboral para despedir unha vintena de traballadores e traballadoras. |
NOS_13716 | A residencia San Carlos de Celanova e a DomusVi O Barreiro, de Vigo, son as que contan con máis persoas infectadas con coronavirus, con 45 e 74 diagnósticos positivos entre as persoas usuarias. | No día en que a Federación REDE anunciou a presentación dunha denuncia na Fiscalía, o número de casos activos en residencias de maiores galegas aumenta un 26,94% desde a sexta feira e afectaba, ás 15 horas deste sábado, segundo informou a Consellaría de Política Social, 190 persoas usuarias e a 55 empregados. Desde a pasada xornada, a cantidade de maiores infectados aumentou en 42 persoas, o que supón un crecemento do 28,4%. En canto ao incremento entre os traballadores, rexistráronse 10 casos máis, unha subida do 22,2%. Galiza alcanza os 245 casos positivos de coronavirus procedentes de residencias de maiores, o que corresponde ao 9,3% do total de infectados en todo territorio galego (2.627). A representación porcentual deste colectivo no total de afectados onte era de 8,7%. Esta vez, foi a DomusVi O Barreiro a que elevou até esta cifra o número de maiores infectados. Onte contaba con 39 e hoxe con 74, case o duplo (+35). Este drástico incremento está relacionado cos resultados das probas que se realizaron na residencia para comprobar o estado dos seus usuarios. Outras residencias nas que tamén se detectaron novos casos son: Nosa Señora de Fátima no Barco de Valdoerras, cun total de dez positivos (+5) e Divino Mestre en San Rosendo (Ourense), que chega a 3 diagnósticos (+2). A San Carlos de Celanova, que onte subiu dos 12 aos 45 casos, mantén as cifras da sexta feira. Dos seus 54 residentes, o 83% sofre coronavirus, 35 deles foron trasladados á residencia integrada de Baños de Molgas para ser atendidos alí polos servizos sanitarios, o resto permanece no centro. As demais residencias continúan estábeis en canto a cifras. A DomusVi de Santiago é a terceira na lista (22), tras ela atópanse O Portazgo, na Coruña, (10), DomusVi Cangas (6), Nosa Señora da Esperanza de San Rosendo (5), Fogar Bellolar (4), Residencia Concepción Arenal da Coruña (2) e a de Castro Caldelas (2). A todos eles súmanse os casos individuais que se rexistraron na Residencia de Arteixo, Nosa Señora do Carme en Fisterra, Residencia Betania en Viveiro, Nosa Señora da Asunción de Caldas de Reis, Fundación José Otero de Santiago, DomusVi de Monforte de Lemos e o Centro Residencial de Atención a Persoas Dependentes (Crapd) de Vigo. Positivos en traballadores e traballadoras Os últimos diagnósticos positivos no colectivo de traballadoras e traballadores apareceron na DomusVi San Lázaro con once en total (+4), outros tantos que rexistra a DomusVi O Barreiro (+4), catro na nosa Señora da Esperanza (+1) e un novo en San Xosé (Ourense). O resto de centros manteñen os datos do venres: 18 casos en Celanova, dous en Cangas, dous en San Pedro (Crecente), un en Bellolar, un no Portazgo e un en Remanso Claudina-Somoza (A Coruña), un en San Simón (Teo), un en CRAPD Vigo e outro na de Foz. Centros para persoas con discapacidade Nos Centros de Atención para Persoas con Discapacidade os casos confirmados por Política Social aumentan até oito afectados (+1) en Aspronga (1), Redondela (4), Aixiña (1) e Santa Cruz de Rosendo (1) e na Residencia Dano Cerebral Cruz Vermella de Castro de Rei (1). Ao mesmo tempo, a cifra de traballadores que padecen o virus mantense en seis: catro de Redondela, un da Vivenda Tutelada Ágora, de Monforte de Lemos e outro na de Santiago. En canto a estes centros, o sindicato de Unión Xeral de Traballadores (UXT) reclama que se realicen test a todos os traballadores e residentes destes centros para "que se poida prestar a asistencia sanitaria adecuada". Esta denuncia pública súmase á presentada pola CIG ante a Inspección de Traballo. Pide á Consellería de Política Social que "teña en conta as características" das persoas con discapacidade, "que necesitan unha atención continuada do persoal para todas as actividades e rutinas da vida diaria", o que "impide gardar ningunha distancia de seguridade nin entre eles mesmos nin cos traballadores", apuntaron finalmente. |
NOS_54925 | Do risco "evidente" aos comentarios "na cantina". | Varias ideas repítense desde que comezou o xuízo polo accidente do tren Alvia, que en xullo de 2013 deixou 80 persoas mortas e 145 feridas en Angrois, lugar da parroquia de Sar, en Santiago de Compostela Os acusados son o maquinista Francisco Garzón e o ex director de seguridade na circulación de Adif Andrés Cortabitarte, aínda que só sentaron no banco como tal durante as primeiras xornadas, xa que a xuíza, Elena Fernández Currás, permítelles non estar presentes no que queda de proceso, previsto para nove meses. A Garzón xúlgaselle por frear tarde e tomar a curva cun exceso de velocidade e a Cortabitarte por carencias na análise de riscos na liña. A ambos os dous atribúeselle unha imprudencia profesional grave e, en consecuencia, 80 delitos de homicidio e 145 de lesións. Un técnico de Adif di que "o risco da modificación" do proxecto "non se avaliou" ao chegar "xa" cambiado Nunha causa que suma miles de folios, por agora van nove xornadas e ao redor de 50 horas de comparecencias, que deixan algunhas ideas chave, que servirán para determinar se Garzón e Cortabitarte son ou non responsábeis e os únicos responsábeis. O risco "evidente": Se existía ou non un risco en Angrois que para algunhas partes era "evidente" é o quid da cuestión. Un xefe de maquinistas detectouno e denunciouno aos seus superiores, mais Adif afirma que non lle chegou a través de Renfe, mentres que a operadora argumentou durante a instrución que non se utilizaron os canles adecuados para trasladar este tipo de cuestións. Precisamente respecto diso, un ex alto cargo de Adif, enxeñeiro con responsabilidades durante todo o desenvolvemento da liña, reprochou aos maquinistas que o comentasen "na cantina" e engadiu que se avisasen farían "un favor" ás vítimas. Estes "comentarios" facíanse en "círculos", segundo outras testemuñas. O maquinista que conduciu até Ourense subliñou que era "de dominio público" que a curva estaba "desprotexida" e lamentou que non se fixese caso ao aviso do xefe de maquinistas. O seu correo chegou a nove altos cargos de Renfe. O descoido: Para Adif era "moi improbábel" que se producise unha condución como a do maquinista aquel día. Subliña que tiña que respectar o cadro de velocidades máximas e o libro horario. Adif sabía do risco da curva de Angrois desde o ano 2011 Garzón alegou perda da "conciencia situacional" ao atender unha chamada ao teléfono corporativo do interventor, quen o fixo nese momento porque "ía relaxado sen nada que facer". O empregado de seguridade que ía xunto ao interventor recoñeceu que este "podía esperar" para telefonar. Pola súa banda, Cortabitarte chegou a asegurar que o que fixo Garzón foi "ilegal". Os maquinistas consideran que é a súa obrigación atender ese tipo de chamadas a unha "ferramenta da empresa". A sinalización: Antes da Grandeira, a velocidade debía pasar de 200 a 80 quilómetros por hora. Para iniciar o freado, os maquinistas tomaban como referencia un sinal avanzado que non está ideado para iso. Algúns mesmo se refiren a "chalés" como recordatorio visual. "Non había ningún tipo de sinal até a curva, nada de nada", afirmou o maquinista na súa comparecencia. O seu avogado sostén que se podía chegar a 200 quilómetros por hora até A Grandeira "sen infrinxir ningunha norma". Un veciño de Angrois: "O maquinista dixo que xa o tiñan denunciado, que non se podía circular por esa vía a esa velocidade" O xefe de circulación da estación de Santiago constatou que ese tramo "podía estar mellor sinalizado". A transición de 'ERTMS' a 'Asfa': Adif asegura que se puxo no quilómetro 80 e non noutro punto polas regras de enxeñería, pero o autor destas normas, Jorge Iglesias, négao. Cando o 'ERTMS' embarcado estaba activo --desconectouse en 2012 porque xeraba incidencias, atrasos segundo a empresa subministradora--, o maquinista debía pulsar en dúas ocasións unha pantalla e, en caso de non facelo, o tren detívose. Iglesias e Jaime Tamarit son os únicos cargos vinculados con Fomento que denuncian unha diminución de seguridade coa retirada do 'ERTMS' dos últimos quilómetros da liña, ao cambiar o proxecto en 2010. E dan unha cifra: o orixinal era "un millón de veces" máis seguro. A desconexión retirou un aviso que podería situar ao maquinista. O cambio significativo de velocidade: É un concepto ao que se fixo referencia en todas as xornadas do xuízo. E case todos os preguntados por el coinciden: intuíase o seu risco pero conceptualizouse despois do accidente. Foi a CIAF a que ordenou sinalizar máis de 360 puntos na rede en que localizou cambios significativos de velocidade, como o de 200 a 80 quilómetros por hora que había que executar na Grandeira. A discusión vira ao redor de se se poderían sinalizar sen un cambio normativo. O avogado do maquinista apunta a curvas sinalizadas cunha baliza asociada antes da traxedia. A ausencia do sistema de control de velocidade ERTMS na curva de Angrois provocou que o Alvia non freara O xefe de maquinistas que deu o aviso subliñou que "non vira nunca" un salto tan "importante de velocidade" nun punto que "dividía a atención". E engadiu que a súa alerta "si chegou", debido a que "se estaba tratando", pero que Renfe díxolle que estaba "amparado normativamente", o que lle pechou "todas as portas". Unha liña monótona: En reiteradas ocasións faise alusión a esta idea. A de Ourense-Santiago é unha liña "monótona" infestada de túneles e viadutos para algunhas partes, mentres que para outras é "atractiva" pola súa "paisaxe" No que vai de xuízo queda patente tamén a diferente perspectiva entre maquinistas e enxeñeiros, que non manexan "datos de trazado", isto é, curvas. Na documentación as tiras de vía son liñas rectas. O dossier de seguridade: Achégao a UTE provedora da tecnoloxía asociada ao 'ERTMS'. Exporta riscos ao seu cliente para que os xestione, pero Adif asegura que só se poden transferir os "tolerábeis". Os que se pasaron ao maquinista, segundo o administrador, paliáronse con medidas "mitigadoras" como unha "ampla marxe" de velocidade para afrontar a curva (estaba fixada a 80 quilómetros por hora e calculan que podía tomarse a 160 sen que o tren descarrilase). Cortabitarte limitou o seu labor para garantir que o funcionamento dos aparellos era "correcto ou non". E cargos de Adif referíronse despois a análise "explícita" de risco para defender que só era preciso para o subsistema de control, mando e sinalización, e non para a infraestrutura. O informe do avaliador independente: O 'ISA', que realizou Ineco. Segundo recoñecen varias testemuñas de Adif, hai un. Pero aseguran que vale para toda a liña e que non abarca só o traxecto entre encraves, que é o que deixaría sen avaliar o tramo no que se produciu o accidente. O interventor do tren, sobre a chamada ao maquinista antes do descarrilamento: "Non sabía que existía esa curva" "Non é correcto pensar que no límite entre dous encraves hai un muro e que a avaliación chega até un punto", argumentou o encargado de redactar o proxecto de sinalización. O papel da Dirección de Seguridade na Circulación de Adif: Unha vez recibidos o dossier de seguridade e o informe do avaliador independente, a incógnita está en saber que fixo o departamento de seguridade de Adif. Cargos do administrador afirman descoñecer se estaba entre as súas competencias unha avaliación do risco da liña e Cortabitarte, directamente, négao. A responsabilidade de Renfe: Sen acusados no xuízo, Adif agora apunta de forma directa á responsabilidade de Renfe, ao indicar que avaliar o risco do fallo humano (a posibilidade de que o maquinista se despistase, como ocorreu) recaía sobre a operadora. Quen paga: O enfrontamento entre as aseguradoras Allianz (de Adif) e QBE (Renfe) lese entre liñas desde o inicio do xuízo, do mesmo xeito que se deduce dalgunhas das cuestións que introducen os avogados de vítimas o interese por incrementar as indemnizacións. |
NOS_47769 | A escritora Enma Pedreira é a gañadora da terceira edición do Premio de Poesía Gonzalo López Abente coa obra "S/T". A poeta, un dos nomes de referencia da coñecida como xeración dos 90, suma un máis aos moitos galardóns da súa traxectoria. | O Premio de Poesía Gonzalo López Abente recaeu nun dos máis destacados nomes e unha das xa máis premiadas poetas da chamada xeración dos 90. O libro "S/T" de Enma Pedreira foi celebrado por unanimidade por un xurado composto polos poetas X. H. Rivadulla Corcón, Miguel A. Mato Fondo e Modesto Fraga, con Viki Rivadulla como secretaria. O xurado adianta que a obra "indaga nos grandes temas universais, nas vivencias da aldea, os froitos da terra, o tempo da infancia e a memoria, nun discurso elaborado que sona moi verdadeiro, saído dunha necesidade vital de facelo". A escritora, que verá o seu novo libro publicado en Edicións Xerais, recollerá o premio nun acto que a Fundación organiza o vindeiro día 11 de xullo. Libros e premios Enma Pedreira deuse a coñecer en 1999 con Diario bautismal dunha anarquista morta, libro inicial ao que logo iría sumando novos títulos como Grimorio, Corpo, Velenarias, Os cadernos d´amor e os velenos, Casa de orfas, Xoguetes póstumos, Antítese da ruína ou Libro de mentiras. Entre os premios que recibiu están o Johán Carballeira, o Eusebio Lorenzo Baleirón, o Fermín Bouza Brei, o Modesto R. Figueiredo, o Fiz Vergara Vilariño, o Novacaixagalicia ou o do Concello de Carral. |
NOS_48235 | O Goberno do Estado e as administracións autónomas negocian un novo calendario de vacinación para o sarampelo. E incluirá a obrigatoriedade de se vacinar ás persoas nadas despois de 1970 e non estean vacinadas ou nunca padecesen a enfermidade. É a primeira medida adoptada a causa de pequenos brotes dunha doenza que se daba por erradicada no Estado español. | O Ministerio de Sanidade comparte así a recente recomendación da Sociedade Española de Epidemioloxía, que pedía a vacina para xente de entre 40 e 50 anos que non estea certa de tela recibido ou que non pasasen polo sarampelo. Malia a ministra do ramo María Luisa Carcedo afirmar o pasado xuño que os datos epidemiolóxicos da enfermidade no Estado eran "moi positivos", entre xaneiro e o 21 de xullo do ano en curso rexistráronse no Estado español 233 casos, "importados ou secundarios a estes", segundo o ministerio, "e a súa transmisión interrompeuse con facilidade". O sarampelo é extremadamente contaxioso. A Organización Mundial da Saúde vén de alertar do seu auxe en Europa, onde se rexistraron 90.000 casos no primeiro semestre de 2019, máis que en todo 2018. Catro países veñen de perder a etiqueta de libres do sarampelo: Reino Unido, Albania, Grecia e República Checa. Os expertos atribúen este rebrote en parte ás "noticias falsas" espalladas polos movementos antivacinas. |
NOS_4486 | A Universidade de Vigo desbotou a posibilidade de avaliar o seu alumnado de forma presencial na recta final do presente curso. Aposta pola avaliación continua e conta poder respectar o calendario previsto. Nós Diario conversa co seu reitor, Manuel Reigosa, que quere que o alumnado asegure as competencias das materias que cursa. | A UVigo xa avanzou a súa proposta. Avoga pola avaliación continua sen exames presenciais. Cre que este acordo responde ás necesidades do alumnado? Nós falamos con todas as representacións estudantís que nolo pediron. Escoitamos especialmente as solicitudes do Consello de Estudantes da UVigo, e seguimos atendendo as propostas de reunión que nos chegan. Con todo, tomáronse as decisións correspondentes para dispor dunha resolución o antes posíbel e, sobre todo, para que tanto o profesorado como o alumnado souberan o que teñen que facer para conseguir o éxito nas distintas materias. "Buscaremos que o alumnado asegure as competencias e capacidades das materias que está cursando, así como unha avaliación xusta". Ademais, esta semana tamén lle pedimos ao persoal docente que lle trasladase ás estudantes o peso das distintas probas de avaliación, dándolle preferencia á avaliación continua e sinalando en que casos cómpre habilitar exames en liña. Hai materias nas que vai ser preciso recorrer a ese tipo de proba, aínda que teña menos peso. A posibilidade de facer probas presencias non se estudará até a segunda oportunidade. Unha vez aclarado que o segundo cuadrimestre se vai avaliar a distancia, queda aberta a decisión do que se fai cos exames de segunda oportunidade, que como non empezan até a segunda quincena de xullo, é posíbel que poidan ser presenciais. De non se dar esta oportunidade, contamos coa preocupación engadida de ter que resolver como adaptar a avaliación das materias do primeiro cuadrimestre, impartidas nas aulas. En todo caso, buscaremos sempre que o alumnado asegure as competencias e capacidades das materias que está cursando, así como unha avaliación xusta. As tres universidades galegas teñen pendente unha xuntanza coa conselleira de Educación. Que acordos comúns buscarán nese encontro? Cada universidade ten unhas competencias de seu, pero é certo que o Sistema Universitario da Galiza funciona de tal forma que trata de acadar acordos coa Consellaría nalgúns ámbitos, como é o caso do calendario académico. Así, nesa xuntanza que temos pendente trataremos de chegar a un consenso sobre a finalización do curso actual. Nós apostamos por manter as datas finais, mais vai haber que facer algunha excepción no caso das avaliacións de traballos de fin de grao (TFG) e de fin de máster (TFM) ou de titulacións que requiran prácticas hospitalarias ou de empresa. Eu espero que cheguemos a un acordo. Parte do alumnado mantén que lle resulta imposíbel seguir co curso e piden que se paralice. Que opinión lle merece esta posibilidade? Eu recibo a calquera membro da comunidade universitaria que mo pida, así que me sorprendeu moito atopar nas redes sociais unha serie de propostas, mesmo un chamamento á folga. Neste sentido, téndolle a man a calquera para falar das medidas que estamos ditando e analizar os puntos de vista de cadaquén. "Creamos unha nova ferramenta que nos permitiu habilitar unha aula virtual por cada aula real, para que o alumnado poida seguir algunhas clases en directo". Disto isto, nós somos partidarios de rematar con normalidade, dentro da situación extraordinaria que estamos vivindo, para que o alumnado que supere con éxito o curso non teña un título devalado senón con todos os coñecementos, habilidades e competencias. Creo que a solución que adoptamos é congruente e insisto en que estamos abertos a dialogar con calquera delegación de estudantes que o solicite. Como está funcionando a docencia telemática e que datos manexan sobre a conectividade, accesibilidade e autonomía do alumnado para podela seguir? Desde 2003 xa viñamos empregando unha plataforma propia para axilizar a relación entre o persoal docente e o alumnado. Nas últimas semanas o seu uso disparouse porque permite chegar ao 100% dos estudantes. Ademais creamos unha nova ferramenta que nos permitiu habilitar unha aula virtual por cada aula real, para que o alumnado poida seguir en directo, por videoconferencia, algunhas clases. Co fin de resolver as dificultades derivadas da fenda dixital, repartimos equipos sen fíos con 100 xigas mensuais, até xullo, e ordenadores a quen declarou a súa necesidade. Con todo, somos conscientes de que isto non fala dunha igualdade real, porque a situación nas casas é moi variábel. Que opcións teñen as estudantes que participan en programas de mobilidade para non perder o curso? Moitas están atrapadas fóra sen facilidades para seguir a docencia na súa universidade de destino, por iso optamos por que poidan volver ás clases aquí, e facer un recoñecemento do seu esforzo sen necesidade de que perdan o ano. Preparadas para un novo confinamento "Se somos quen de rematar nas datas previstas e todo canto temos argallado sae ben, creo que o ano que vén non habería que modificar nada salvo as datas de inicio das clases de primeiro, ante o traslado das probas de acceso á universidade", explica o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, partidario de comezar con normalidade e conscientes de todo o aprendido de cara a unha futuríbel corentena. "En previsión dun novo período de confinamento o ano que vén, creo que a experiencia deste curso vai axudarnos a deseñar plans específicos desde o punto de vista técnico e pedagóxico máis eficaces". Nese novo período académico, advirte, habería que atender, ademais, as demandas do alumnado pendente de concluír os seus estudos. "Á espera dunha resolución estatal, estamos dispostos a ser máis flexíbeis e a superar o límite de setembro, sempre baixo pedimento". |
NOS_3581 | E todo, engade, malia as queixas e protestas veciñais. | Marea Verciñal de Touro denuncia que "dende a súa implantación no ano 2005 ata o ano 2011" a empresa Ten "estivo a operar con residuos de carácter urbano e industrial sen licenza de actividade". Sempre segundo esta formación, o Pleno extraordinario do Concello de Touro celebrado a principios desta semana e relativo ao procedemento de renovación da modificación substancial da Autorización Ambiental Integrada (AAI) "deixa ao descuberto feitos inimaxinábeis para a veciñanza". "E todo, a pesares das numerosas queixas veciñais e denuncias públicas polos pestilentes -e persistentes- cheiros orixinados nas súas instalacións situadas nos terreos da antiga mina de Touro, que están a xerar un grave problema de saúde pública no ámbito municipal." En 2011, afirma Marea, o Concello de Touro concedeu a Tratamientos Ecológicos del Noroeste S.L. a súa primeira licenza de obras e actividade, "sen que a día de hoxe se teña acreditado que estea en posesión da habilitación necesaria por parte da Dirección Xeral de Enerxía e Minas para a ocupación dos terreos e o inicio de tarefas". Todo isto, proseguen, "non impediu que continuase a operar baixo a súa propia "normalidade" ata converterse segundo a súa información corporativa en "líder en Galiza con máis de 135.000 toneladas de residuos tratadas ao ano" en "52.000 m2 de instalacións". A realidade constata a existencia de obras e instalacións sen licenza municipal ou que Ten está a operar fóra dos límites físicos establecidos na Autorización Ambiental Integrada nun reflexo do seu crecemento á marxe da legalidade. Hai que ter en conta, ademais, que durante a tramitación das licenzas non consta informe favorábel algún do organismo competente en materia de Minas". O Grupo Veciñal de Touro insta o alcalde que "faga cumprir como rexedor municipal a legalidade e a normativa urbanística a unha mercantil que operada só por dez empregados logrou converter ao concello no maior váter de Galiza". |
NOS_38747 | Máis de mil persoas quedarán o 15 de agosto sen servizo de saúde, denuncia a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, en Marín, que convocou a veciñanza a mobilizarse para reclamar ao Concello que se implique para evitar os recortes na sanidade. | Centos de persoas manifestáronse este 12 de agosto diante do Concello de Marín, ao tempo que decorría o pleno municipal no que se votou unha moción da plataforma, para denunciar os recortes na atención clínica en Seixo e exixir que se fagan "as contratacións de persoal necesarias no Centro de Saúde por parte da Xunta". A veciñanza foi convocada pola Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, no que participan 18 colectivos e asociacións das parroquias marinenses de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo. A entidade cualifica a situación do consultorio de Seixo de "moi grave", e explica que pasaron de ter dous médicos no centro a un, "que se fai cargo da cota dos dous como pode". Ben que as citas do facultativo presente "agardan de 2 a 4 días", a poboación asignada ao outro estana citando para setembro desde comezos de agosto. En dous días, o 15 de agosto, indica a plataforma que "só haberá catro horas de médico para unha cota e máis de 1.000 persoas quedarán sen nada. Isto é intolerable". Esta situación está a xerar que persoas que precisan de medicación continua non teñan xeito de conseguir as receitas para acceder a ela, "as farmacias de Seixo e Ardán están moi preocupadas porque non saben como van dispensar sen receita a medicación que centos de pacientes precisan durante tantas semanas, especialmente dos tratamentos máis caros", advirte a plataforma. O centro urbano de Marín tamén sufre os recortes no eido da sanidade, láiase a entidade, que reclama que só fai falla ver "as longas colas para pedir unha cita", nun centro de saúde no que "tampouco están contratando o persoal necesario para o funcionamento normal do Centro, nunha vila de case 25.000 habitantes". A xerencia e a Alcaldía lavan as mans Malia intentar xuntarse co xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés do Sergas, escolleu "as datas de maior colapso da atención primaria para marchar de vacacións". No caso da directora asistencial que o substitúe, non aceptou recibir a plataforma antes de aplicar os recortes do 15 de agosto. Tampouco María Ramallo, alcaldesa de Marín polo Partido Popular, está a apoiar as solicitudes da plataforma, presentando unha contra moción a última hora, "miraremos se escollen a veciñanza e a sanidade pública ou o seu partido e os recortes", indica a entidade en defensa da sanidade. |
PRAZA_6013 | Unha asociación do rural compostelán relata o seu periplo para, aínda sen éxito, tentar abordar co Goberno municipal asuntos como o transporte urbano ou as obras para tapar fochancas. | "Non hai con quen falar". O Concello de Santiago leva condicionado polos avatares xudiciais dende nove meses despois do inicio do mandato municipal e, dende hai un mes, o goberno local está formado por só catro persoas fronte ás 13 que tería que ter e delas tan só dúas, o alcalde e a concelleira Reyes Leis, aglutinan todas as competencias. Este é o contexto no que o PP agarda por que a Xunta Electoral non teña en conta os recursos presentados por PSdeG e BNG para así poder botar a andar un goberno formado maioritariamente por persoas non electas e comandado polo ex conselleiro Agustín Hernández. Mentres isto sucede e mentres o propio Hernández acusa a oposición de facerlle "dano" á Compostela na cidade medran as voces que denuncian a parálise dos asuntos ordinarios do consistorio. Despois de que a Xunta de Persoal do Concello xa denunciara unha "situación de desgoberno total" agora é unha das asociacións veciñais da cidade, Nova Xeira, da parroquia rural de Figueiras a que amosa todo un catálogo de síntomas de "paralización" en cuestións que non van alén do mero trámite. "A paralización, dende o noso punto de vista, é absoluta", din dende este colectivo, que mentres manifesta preocupación por asuntos tan cotiáns como as liñas de transporte urbano denuncian que no Pazo de Raxoi medra a "inoperancia", sen "ninguén que responda aos escritos" ou ás "propostas de mellora". 20 de febreiro Mentres as revelacións do sumario da Pokémon ocupaban os titulares da prensa a asociación Nova Xeira "mantivo unha reunión co señor alcalde" e con concelleiro delegado do Medio Rural "para analizar o progreso das demandas que presentara esta asociación veciñal". Nesa xuntanza chegouse a diversos acordos, pero "do que se tiña acordado non se realizou nada. 5 de maio Tres días despois de que o TSXG anulase a revolución administrativa iniciada en tempos de Conde Roa e apenas 48 horas antes de que se confirmase que medio goberno local ía ser xulgado estes representantes da veciñanza de Figueiras presentaban no rexistro do Conello un escrito "solicitando unha reunión co concelleiro de Mobilidade". Tentaban pedirlle que "no verán non se supriman viaxes do transporte urbano" ata a parroquia". Trataríase, simplemente, de que "se manteña o mesmo horario que no inverno". "Non houbo resposta", din. A veciñanza di non ter "resposta" en asuntos como o transporte urbano ou o control de obras nas fochancas, nas que a empresa encargada "pasou unha factura tres veces superior aos traballos realizados" 12 de maio Unha semana antes de que sete dos trece edís do equipo de goberno tivesen que sentar no banco dos acusados a asociación volvía ao rexistro, desta volta para dirixirse á Concellería de Urbanismo. Solicitaban "autorización para facer a ampliación do acceso ao recinto do campo da festa". O único que precisaban era o permiso, xa que "a propia comisión" se encargaría "dos gastos" e realizaría a propia intervención. A proposta, din, "xa foi tratada no Concello" en setembro de 2013, pero "non houbo ningunha resposta". 9 de xuño O día en que Ángel Currás se vía forzado a dimitir e o PP anunciaba o advenimento de Hernández en Figueiras seguían agardando pola solución ao seu problema co transporte urbano. Por este motivo presentaron un escrito dirixido á Comisión de Queixas e Suxestións do consistorio. Nel, explican, "facíase referencia a unha queixa solicitando que o transporte urbano manteña durante todo o ano o horario de inverno e non se supriman viaxes". Ademais, pedían saber se ía ser aceptada a súa suxestión de colaborar co Concello no control dos arranxos das fochancas, "pois o ano pasado a empresa que realizou traballos na parroquia pasou unha factura tres veces superior aos traballos realizados -traballou en 500 metros cadrados e cobrou por 1.500, aseguran-. "Non houbo ningunha resposta". 27 de xuño Este é o contexto no que, o pasado día 27, a catro días da entrada en vigor dos horarios de verán do transporte urbano, Nova Xeira apostou por dirixirse á xunta directiva de FERUSA, a federación que aglutina as asociacións veciñais do rural compostelán, para tentar artellar "unha acción reivindicativa conxunta" para tentar que a súa reclamación sobre os autobuses sexa escoitada. Visto o panorama no Concello, a federación "decidiu que era conveniente esperar a que o novo alcalde tome posesión do seu cargo para facerlle a reivindicación". |
NOS_48998 | Um filme apresentado na Assembleia da República? Se gira arredor da grande figura política que foi Álvaro Cunhal, pode ser. O filme de Joaquim Leitão baseado no romance de Álvaro Cunhal teve a sua antestreia no Parlamento de Portugal, arredor do centenário do nascimento do líder do PCP. | No salão nobre da Assembleia da República e coa presença de destacados líderes da esquerda portuguesa como os deputados João Oliveira, António Filipe ou o secretário-geral da CGTP-IN, Arménio Carlos. O filme parte do romance de Manuel Tiago, o pseudónimo literário que o verdadeiro autor só desvendou em 1994 e que já dera numa série televisiva em 2005. O livro recolhe a vida do PCP nos anos 1950 e 1960 visitando os tempos de clandestinidade, resistência ao fascismo e lutas. Álvaro Cunhal trazia Até amanhã, camaradas no bolso quando fugiu em 1960 da prisão de Peniche. A história resulta uma homenagem aqueles que fizeram de Portugal um país livre após a ditadura e conta a história de quatro militantes do PCP que reorganizaram a luta política. «No fundo a mensagem é vale a pena lutar pelo que se acredita», afirmou o diretor Joaquim Leitão na estreia do filme no Parlamento, antes de se passar às salas comerciais. Mais de 130 atores e milhares de figurantes dão vida às personagens criadas per Manuel Tiago num filme com três horas de duração. No Parlamento, o deputado António Filipe reconheceu que se hoje chamam "à Assembleia da República a Casa da Democracia, devemo-lo às pessoas que deram a sua vida por ela". De filme e história da "humanidade profunda na austeridade de quem entrega a sua vida à causa da libertação de um povo" definiu o escritor e jornalista Urbano Tavares Rodrigues. |
PRAZA_8442 | O alto comisionado reclama a devolución íntegra dos aforros das persoas enganadas e que a Fiscalía "explore a vía penal" contra os responsables da estafa. O BNG promove un cambio legal para elimitar as quitas. | "Toda a sociedade é perfectamente consciente do ilexítimo e grave da actuación das entidades financeira que puxeron en circulación as chamadas participacións preferentes". O Valedor do Pobo vén de tomar partido no conflito da presunta estafa de cartos perpetrada por diversas entidades financeiras, en Galicia basicamente as antigas caixas de aforros, para reclamar a devolución dos cartos e a xeralización das arbitraxes sen que estas dependendan unicamente dos bancos. A institución dixida en funcións por José Julio Fernández ve probado que "en moitos casos a información trasladada" ás vítimas do engano das preferentes e subordinadas "creou a apariencia de que se trataba de meros depósitos ou instrumentos de aforro" polo que agora, di, cómpre a devolución da "totalidade do depositado" a quen foi "informado de xeito enganoso". As investigacións realizadas polo alto comisionado "non fixeron outra cousa que confirmar as primeiras impresións sobre a certeza de moitos casos de fraude, tanto con "actuacións de oficio" como a través da información achegada por "numerosas" persoas afectadas. "Nas queixas presentadas na ofician do Valedor" as persoas reclamantes "coinciden en que, dada a relación de confianza que mantiñan cos directores e empregados das oficinas bancarias, actuaron no convencemento de que adquirían un produto financeiro seguro e que, no caso de que decidisen solicitar a recuperación total do capital investido, poderían dispoñer do mesmo". O Valedor esixe "transparencia" nos criterios da arbitraxe e lembra que entidades como Novagalicia dependen do Estado Neste contexto, o Valedor amosa o convencemento de que a arbitraxe de consumo é unha vía "útil" para solucionar o conflito, se ben lembra que está condicionada á aceptación ou non por parte do banco. Así, e tendo en conta que entidades como Novagalicia Banco están "participadas maioritariamente polo FROB", isto é, polo Estado, coida que unha "solución equilibrada para resolver sobre a aceptación das solicitudes de arbitraxe" pasa por que os criterios que a regulen sexan "fixados e xestionados por unha instancia pública e non soamente desde a propia entidade". Este criterios deben ser "obxectivos" e permitir que a arbitraxe se "xeralice". Ademais, sinala, "os reguladores -o Banco de España- deberían reclamar formalmente e, no seu caso, obrigar ás entidades, nacionalizadas ou non, a difundir amplamente os criterios aplicador para coñecer as propostas de arbitraxe promovidas ata agora". O alto comisionado anima a Fiscalía a "explorar" a vía penal ao estar ante posibles "delitos de estafa ou doutro tipo" Ademais de considerar "imprescindible un alto nivel de transparencia" na arbitraxe, o Valedor advirte de que "as persoas que opten pola vía xudicial deberían ter unha resposta áxil á súa demanda" sen "demoras indebidas". Neste sentido, ve "conveniente" que "a Fiscalía explore as posibibles responsabilidades penais, alén da vía civil", e con esta finalidade xa lle "remitiu á Fiscalía Xeral de Galicia escritos que especificamente mencionan este enfoque, coa fin de que o Ministerio Público investigue e coñeza a posibilidade de que se cometeron delitos de estafa ou doutro tipo". E, quen ten a culpa de todo isto? A "xeración e mantemento no tempo desta situación" ten como "principais responsables" aos "promotores e xestores dos produtos", isto é, aos bancos, "pero tamén ás autoridades públicas estatais que permitiron, naquel momento -as preferentes emitíronse entre 2003 e 2011-, que tal cousa sucedese sen unha intervención de control adecuada, especialmente o Banco de España, a Comisión Nacional do Mercado de Valores e o Ministerio de Economía. "Aos seus incumbe a obriga de que esta situación ou outras similares non se poidan dar no noso país no futuro", conclúe. |
NOS_43910 | A Organización galega de comunidades de montes (Orgaccmm) vén de anunciar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para mudar a lei que regula estas entidades. Falamos co seu presidente, Xosé Alfredo Pereira, sobre como se desenvolverá a campaña de divulgación desta proposta. | —Veñen de anunciar unha Iniciativa Lexislativa Popular para mudar a lexislación dos montes veciñais en man común (MVMC). Comezou o proceso? Non comezou, xa que dependemos de que a Xunta Electoral galega aprobe os pregos de sinaturas. Contamos con arrancar a campaña na vindeira Asemblea Xeral da Orgaccmm, o 19 de febreiro en Guitiriz. —Cales son os puntos que se pretenden introducir con esta ILP? Os obxectivos fundamentais que queremos defender coa proposición desta lei son contrarios aos que marcou a Consellaría de Medio Rural para a aprobación da reforma do Plano forestal da Galiza. A reforma pretende eliminar o carácter xermánico da propiedade veciñal cambiando a condición de persoa comuneira e dotando de personalidade xurídica as comunidades. Preténdese roubar o monte á veciñanza comuneira e eliminar este tipo de propiedade singular que ten o pobo galego. Con base a iso, na ILP propoñemos reafirmar o carácter xermánico da titularidade veciñal; a mellora do funcionamento asembleario e democrático das comunidades; que todos os aproveitamentos dos MVMC, incluíndo o seu voo, sexan considerados potestade das comunidades sen estar a expensas de facerlle regalos a multinacionais; considerar que os MVMC, polas súas funcións e características, poidan ser un ben por si mesmo para a protección ambiental e cultural; así como camiñar cara ao logro dun monte veciñal multifuncional e sustentábel axustado ás demandas da veciñanza comuneira e da sociedade no seu conxunto. —E cales serán os pasos para lograr as 10.000 sinaturas que se precisan para comezar o trámite parlamentario? Xuntaremos sinaturas nos pregos na propia asemblea da Orgaccmm do día 19. A continuación, entregaremos pregos ás comunidades do país para que recollan sinaturas nas súas asembleas e faremos xuntanzas territoriais en toda Galiza. Tamén chamaremos á solidariedade e ao apoio daquelas outras entidades que xestionan e traballan o medio rural. —Como foi o proceso de redacción da súa proposición de lei ao Parlamento da Galiza? Foi froito do traballo de dous anos, nos que fixemos debates con comunidades por todo o territorio galego para discutir un borrador e que isto servise para posteriormente chegar a esta lei, que recolle o sentir do conxunto do monte veciñal galego. Polo tanto, entendemos que, cando menos, a Consellaría de Medio Rural deberíalle prestar certa atención a esta proposición. —O Parlamento da Galiza vén de aprobar unha iniciativa para solicitar unha modificación da Lei de costas no que atinxe aos MVMC. Cal é a valoración fan ao respecto? Foi unha iniciativa presentada polo grupo parlamentario do BNG despois de recoller unha postura da Orgaccmm que foi aprobada por unanimidade e na que se acordou que aqueles MVMC en zonas marítimo-terrestres, sen perder a súa condición, poidan existir cumprindo coas limitacións de uso que marca a delimitación destas zonas. O que pretende a Lei de costas é que os MVMC destas características desaparezan como tales e se convertan en propiedades públicas. O acordo é un avance importante pero non decisivo porque lamentabelmente a Galiza non ten competencias nesta materia. O único que puido conseguir a iniciativa parlamentaria foi que se acordase instar o Goberno estatal para que modifique a Lei de costas. Isto debe levarnos a unha reflexión: se a Galiza tivese as competencias, este grave problema estaría resolto. Unha guía didáctica sobre o monte veciñal A unidade didáctica que está a piques de saír da imprenta supón a primeira que explica o que é o monte veciñal, a súa xestión democrática, o seu funcionamento e a súa historia. Se ben é certo que na Galiza xa existían unidades didácticas referentes á xestión forestal e aos aspectos patrimoniais e ambientais do monte, non se formularan no sentido de explicar que son os montes veciñais en man común de modo específico. A acollida por parte das comunidades de montes e dos centros de ensino das parroquias está sendo moi boa. Desde a Orgaccmm esperan que os colexios a fagan súa, xa que dependerá do profesorado a súa consideración até que nun futuro se poida conseguir a inclusión dos montes veciñais nos currículos educativos de todos os niveis do ensino na Galiza. A guía tamén estará a disposición de calquera entidade que quixera facer emprego da mesma. |
NOS_55332 | O 25 de maio narradores e narradoras profesionais reuniranse no Museo do Verbum para sensibilizar a mocidade da importancia do relato oral. | O proxecto "Ponte... nas ondas" organiza o 25 de maio no Museo do Verbum de Vigo a X Mostra da Oralidade Galego-portuguesa. Co nome de "Ponte... a contar!", o proxecto radiofónico conta con narradores e narradoras profesionais como Avelino González, Celso Sanmartín, Clara Haddad ou Lisete Coelho, persoas que se dedican profesionalmente a contar e transmitir a palabra oral, para transmitir ao alumnado o gusto e as habilidades da narración oral. Intervirán tres especialistas no relato oral de Galiza Trátase dunha actividade destinada, na parte matinal, ao alumnado de escolas galegas e portuguesas na que xa confirmaron a súa presenza estudantes de Marrocos, China, Polonia, Brasil, China, Etiopía, Romanía, Cabo Verde, Mozambique, Arxentina e Uruguai. A sesión de apertura terá lugar ás 10:30 horas e realizaranse varios obradoiros. Na sesión da tarde aberta ao público, a partir das 19 horas, intervirán tres especialistas no relato oral da Galiza, Portugal e Brasil: Antonio Reigosa, Alexandre Parafita e Simone Mendes. Ademais, contarán relatos e experiencias Avelino González e Clara Haddad, a brasileira que creou a primeira escola itinerante de narración oral. |
NOS_41417 | Despois da decisión do Parlamento sueco o primeiro ministro ten seis días para decidir se convoca eleccións anticipadas ou se dimite e deixa á Presidencia do Parlamento que se encargue de tentar forxar unha nova maioría parlamentar. | A moción de censura que planeaba sobre o primeiro ministro de Suecia, Stefan Lofven, do Partido Socialdemócrata, foi finalmente aprobada nesta segunda feira polo Parlamento do Estado escandinavo. Lofven ten seis días para decidir se convoca eleccións anticipadas ou se dimite e deixa á Presidencia do Parlamento que se encargue de tentar forxar unha nova maioría parlamentar. A moción contra o primeiro ministro foi encabezada polo Partido da Esquerda, que criticou a forza socialdemócrata por impulsar co apoio da dereita unha nova normativa para flexibilizar as políticas sobre a regulación de prezos no alugueiro en vivenda nova. Os 181 votos a favor da aprobación da moción de censura, seis máis que a maioría que precisaban os impulsores, pode obrigar a que por primeira vez desde 1958 Suecia teña que levar a cabo eleccións anticipadas. Hora de asumir a "responsabilidade" O aínda primeiro ministro lembrou que ten días por diante para tomar unha decisión, e só indicou que se compromete a seguir traballando e a asumir a "responsabilidade". Tamén apuntou que os partidos que votaron na súa contra conforman un grupo cun acordo "moi temporal", polo que defendeu que non terán capacidade para presentar unha coalición alternativa. As eleccións de 2018 deixaron un panorama atomizado no Parlamento sueco despois do aumento daquela dos sufraxios a extrema dereita. O único socio estábel de goberno dos socialdemócratas neste tempo foi o Partido Verde, co apoio externo de varias forzas como o Partido da Esquerda. O seu líder, Nooshi Dadgostar, sentenciou que "cando ninguén máis quere contribuír á solución, terminamos", e sinalou que a moción de censura foi unha ferramenta de último recurso. |
NOS_44315 | Após máis de dúas horas de intervención do perito da Garda Civil, o xuíz da Sala do Penal nº3 da Audiencia Nacional española retirou a palabra e anulou a proba pericial achegada pola defensa por considerar "unha impertinencia contra o Ministerio Fiscal" unha apreciación realizada polo profesor Bernardo Maiz en relación á fiscalía | "Abandonen la sala! O es que no hablo castellano cotidianamente?", dixo literalmente o xuíz da Audiencia Nacional, Alfonso Guevara, após retirar a palabra aos peritos da defensa, os profesores Carlos Taibo e Bernardo Maiz, que procedían a expor os resultados dunha súa análise pericial arredor dos informes practicados pola Garda Civil na causa que se segue contra @s 4 independentistas acusad@s de "pertenza a organización armada". Taibo e Maiz puxeron en cuestión na súa quenda de intervención --que foi negada polo xuíz durante o careo inicial-- as conclusións tiradas polos axentes da Garda Civil nos seus informes. "Neses informes hai un salto perigoso entre o que é intuición e sospeitas e o que son certezas", apuntou Carlos Taibo, o primeiro en achegar as súas valoracións á sala por petición dos avogados da defensa. Neste senso, o profesor universitario, que acudiu en calidade de experto en dereito internacional, fixo "catro observacións" en relación á longa exposición da "benemérita" --como se referiu até en dúas ocasións o xuíz Guevara ao axente pericial da Garda Civil. Carlos Taibo: "Neses informes hai un salto perigoso entre o que é intuición e sospeitas e o que son certezas" A comezar polas escasas mencións que os axentes fixeron "aos nomes dos acusados" que son xulgados no proceso xudicial en curso. "Sorpréndeme", acrecentou Taibo "o contraste entre a agresividade no discurso" que a policía española atribúe aos "presuntos manifestos publicados por RG" e a "violencia obxectivamente manifestada". Os dous profesores consideraron que os informes policiais "non son aceptábeis desde o ponto de vista das Ciencias Sociais" por alcanzaren "conclusións" baseadas "nun esquema prefixado" ao que os axentes engaden información até obteren o resutado desexado. "Nos informes da Garda Civil e da policia hai vontade de relacionar RG co EGPGC", subliñou Taibo, algo que ao seu entender exixe da comparación dos escritos atribuídos a ambas as dúas organizacións, análise da que se tira, dixo, "unha distancia alarmante" entre as mesmas. Para o profesor, "o EGPGC bebe da mitoloxía do marxismo", en troca, os textos que a policía española atribúe nos seus informes a RG --a modo de manifestos-- deixan ver, salientou Taibo, "unha visión do mundo e da organización que bebe do pensamento libertario, da asemblea de base, da autoorganización". "Non entendo que se lle poida dar continuidade á organización", sentenciou. Taibo amosouse "preocupado" polas afirmacións deitadas nos informes policiais a respeito de organizacións independentistas legais "sen causas abertas" ás que os axentes vinculan "co independentismo radical violento" Os axentes da Garda Civil que actuaron a modo de peritos policiais na vista desenvolveron unha "correlación organizativa" que viría a "demostrar" a existencia dunha organización armada no independentismo galego, após estabeleceren unha conexión entre "a UPG de Moncho Reboiras, LAR, EGPGC e Resis", esta última, din, xérmolo da suposta RG. "Non coñecen a realidade", afirmou con rotundidade Bernardo Maíz, quen quixo apelar ao vínculo existente entre o fiscal e Galiza --onde aquel tería pasado uns anos da súa vida pofesional-- para asegurar que "é unha realidade que non ten a ver con ningunha outra". A apreciación de Maiz en relación ao Ministerio Fiscal irritou o xuíz Alfonso Guevara quen, após mandar calar ás testemuñas da defensa, expulsou os dous profesores da sala e posteriormente suspendeu a proba pericial e a sesión até a cuarta feira ás 17.00h. "Impertinencias contra o Ministerio Fiscal non vou tolerar", espetou. Os avogados da defensa enunciaron protesto perante a expulsión e solicitaron igualdade de trato para os seus defendidos: isto é, a retirada dos informes da Garda Civil [xa que foron retirados os testemuños de Taibo e Maiz]. Guevara recusou tomar en consideración as queixas da defensa. |
NOS_41598 | Ana Pontón tomou parte nun acto simbólico en defensa da modernización do tren en Ferrol, excluído do eixo atlántico ferroviario. | O BNG organizou acto simbólico en defensa da modernización do tren en Ferrol, excluído do eixo atlántico ferroviario e cun traxecto entre a cidade departamental e A Coruña "propio do século pasado", cando este medio debería, insisten as nacionalistas, ser unha das principais opción de mobilidade entre ambas cidades. Para a portavoz nacional, Ana Pontón, esta realidade "evidencia o abandono do Estado das infraestruturas ferroviarias entre Ferrol e A Coruña e do disparate de non ter as mesmas infraestruturas e oportunidades. Cun tren rápido entre ambas cidades e cunha aposta pola modernización de FEVE, teríamos unha área de 600.000 habitantes comunicada. Xa está ben que o Estado nos trate como cidadáns de segunda". Para denunciar que o Goberno do Estado "mantén un tren decimonónico a velocidades que son facilmente superábeis por unha persoa en bicicleta", Pontón, acompañada, entre outros, do candidato do Bloque en Ferrol, Iván Rivas, subiu á bici, "o tren que comunica estas dúas cidades ten tramos nos que circula a 20 quilómetros por hora, unha velocidade que calquera ciclista afeccionado pode superar con facilidade. Eu mesma podería coller a bicicleta e facer a viaxe en tren e aínda me daría tempo de tomar unha cervexa na estación", ironizou. Entre Ferrol e A Coruña hai unha distancia física de 69 quilómetros, pero o tren que comunica ambas urbes por unha vía inaugurada hai cen anos sen apenas modernizar precisa até 145 minutos para chegar dunha cidade a outra. 80 minutos na mellor das opcións. "Nese tempo, o tren do eixo atlántico fai o traxecto de 180 quilómetros que separan Coruña de Vigo e poderíamos tamén facer o traxecto A Coruña-Santiago ida de volta de 150 quilómetros", explicou a portavoz nacionalista. Un Ministerio de Familia? Pontón cualificou de "ocorrencia carca" a proposta de Pablo Casado de crear un Ministerio de Familia como solución ao problema demográfico de Galiza. "A solución non pasa por unha proposta carca e rancia, do século pasado", afirmou, senón por "darlle futuro" a mocidade, con empregos dignos, medidas de conciliación familiar e laboral e de igualdade. "Nos últimos dez anos emigraron de Galiza máis de 150.000 mozos e mozas baixo o Goberno do PP, e o que precisan a xente nova e ter emprego, futuro e oportunidades neste país", argumentou Pontón. Por contra, a líder nacionalista ten claro o que non necesita a xuventude galega. |
NOS_34500 | Situada na parroquia de Nois é a turbeira de maior antigüidade de Galiza e pode considerarse o xacemento paleoclimático máis importante do noso país e do resto do Estado español, sendo ademais en referente a nivel europeo para o estudo da evolución do cambio climático nos últimos milleiros de anos. Adega e Mariñapatrimonio piden a paralización inmediata das actuacións. | O xacemento de Arealonga (Foz) é a turbeira de maior antigüidade de Galiza. Procede do último ciclo interglaciar do Cuaternario, adquirindo un valor fundamental para a reconstrucción da mudanza climática desde as primeiras etapas nas que se constata a aparición do home en Galiza. Tras a súa decuberta polo científico belga Henri Nonn en 1963, este xacemento foi estudado por investigadores de toda Europa. Logo dos franceses na década dos 70, nos anos 80 tamén se interesaron por el científicos alemáns, e nos anos 90 foi obxecto de estudo polo Laboratorio de Xeografía e biodiversidade da Universidade de Santiago de Compostela. Un xacemento único que está baixo amenaza por unhas obras de reparación de danos de temporais que realiza a Demarcación de Costas na praia de Arealonga (parroquia de Nois, Concello de Foz), tal e como denuncian Adega e Mariñapatrimonio. Piden a paralización inmediata das obras Ambos colectivos piden a paralización inmediata das obras "en preservación dos valores deste xacemento de turba que data de hai 120.000 anos e sobre o que están a actuar directamente as máquinas escavadoras. A maquinaria está a retirar os coídos ou as xógaras de todo o areal, incluídas as que se atopan enriba do xacemento para a construción dun dique no extremo da praia máis próximo ao núcleo de Nois. Esta circunstancia pon en risco a conservación da turbeira, que queda exposta ás adversidade meteorolóxicas e á acción do mar, ademais de alterar significativamente a morfoloxía da praia e, potencialmente, a dinámica costeira da zona". Adega e Mariñapatrimonio afirman que as actuacións están a ser efectuadas por Costas pola vía da urxencia "e, previsiblemente, sen os necesarios informes favorables dos organismos competentes en materia de conservación natural nin preservación patrimonial, así como sen as cautelas debidas ou medidas de prevención que son obrigadas para evitar un impacto irreversible sobre o xacemento paleoclimático |
NOS_52335 | A formación liderada por Íñigo Errejón, que apenas se presenta en dúas das catro circunscricións galegas aos comicios ao Parlamento en Madrid, considera que desempeñará "un papel crucial" nestas eleccións, ás que acode con Carolina Bescansa, recentemente chegada á Galiza desde a política estatal, como cara máis visíbel. | A cabeza de lista de Más País pola circunscrición da Coruña aos comicios estatais do 10 de novembro, Carolina Bescansa, participou esta sexta feira, 1 de novembro, nunha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres, acto que aproveitou para dar comezo á campaña electoral. A formación, unha ampliación da forza Más Madrid, concorre a estas eleccións convencida de que desempeñará "un papel crucial" "Competimos coa abstención, con todos os votantes que se sentiron decepcionados, porque despois de construír unha maioría de progreso nas urnas, esa maioría de cambio non se transformou nun Goberno responsábel", declarou Bescansa ás e aos xornalistas antes de participar no acto, cunha importante carga simbólica no vieiro de 'galeguizar' esta formación estatal, que apenas se presenta en dúas das catro circunscricións galegas ás eleccións ao Parlamento en Madrid. Carolina Bescansa, a cara máis visíbel de Más Madrid despois do seu paso pola política estatal desde a capital española, engadiu que a súa formación sae "con toda a ilusión, con todo o compromiso e cun gran sentido da responsabilidade para traballar no desbloqueo da formación do goberno de España". |
PRAZA_19736 | ENTREVISTA O escritor, editor e figura clave no teatro galego foi recoñecido como Republicano de Honra 2017 pola CRMH da Coruña. "A Xunta non apoia nada a cultura galega, non hai estímulo... Cartos hai, pero para outras cousas", di o tamén presidente da Fundación Praza Pública. | Francisco Pillado Mayor (A Coruña, 1941) foi galardoado como Republicano de Honra 2017 pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña en recoñecemento á defensa dos valores republicanos e demócratas durante toda a súa vida. Escritor, persoeiro inigualable do teatro galego e ex-director literario de Edicións Laiovento, entre outras moitas cousas, recíbenos na Facultade de Filoloxía, na Biblioteca-Arquivo de Teatro que leva o seu nome e que cedeu á Universidade da Coruña hai máis de vinte anos. Tan completa como descoñecida e esquecida, alí segue acudindo periodicamente para nutrila con recortes de prensa, programas de man e algún libro do pouco que de teatro se publica en Galicia. E alí están, expostas, algunhas das máscaras elaboradas por Castelao para a representación d'Os vellos non deben de namorarse na Arxentina, coas que posa para a fotografía coa súa dona, Noli Vega. O tamén presidente de honra da Fundación Praza Pública bota a vista atrás sen deixar de mirar cara ao futuro antes de recibir varias homenaxes nos vindeiros días. Que sente ao recibir este recoñecemento? Sempre me sentín afortunado porque durante a miña traxectoria fun galardoado con algún premio por feitos concretos e determinados, pero este ten o significado especial de recoñecer toda unha vida na defensa duns valores, os da democracia e a República. Cre que nestes tempos están igual de ben defendidos que noutros anteriores? Creo que non, creo que están peor defendidos que antes. Vexo, tamén, unha menor mobilización social. Antes era moi común saír á rúa a manifestarse, pero agora isto converteuse en algo case anecdótico. Falta introducir máis o republicanismo nas reivindicacións políticas? Debería ser algo fundamental e non o é; temos unha monarquía que foi implantada polo ditador Franco. Sempre hai que ter esperanza de que chegará a República, pero... "Os valores da democracia e da República están agora peor defendidos que antes" Por que cre que non hai unha defensa máis explícita da República no Estado? Aquí vendeuse sempre moi ben a Transición, aínda que eu sempre falei de Transacción e non dunha Transición. Parece que a democracia foi debida case á monarquía e esa foi a idea que se foi difundindo... Ao fin e ao cabo, a única forma de que España entrase na Comunidade Económica Europea daquela era ter un sistema democrático, iso foi o que permitiu que ministros de Franco cresen de súpeto na democracia. Iso é o paradoxal, que Manuel Fraga fose convertido logo nun paradigma dos demócratas. E iso non foi así en moitos outros lugares de Europa, claro. A diferenza foi que Hitler perdeu a guerra e aquí gañárona. Salazar, Franco, Hitler e Mussolini coinciden no tempo e eu sempre defendín que foron unha invención capitalista para deter o comunismo. Parece moi casual que xurdisen esas catro ditaduras fascistas xusto naquel momento. "Na ditadura expresabámonos con símbolos: eu deixaba barba como o Che e fumaba en pipa como Jean-Paul Sartre" Como reivindicaba as súas ideas no franquismo? Tería moitos problemas... Claro que os tiven, si. Na miña época, moitas persoas eramos afíns ou simpatizantes ao Partido Comunista. A nosa forma de expresarnos na ditadura era mediante símbolos, por iso eu deixaba barba como o Che Guevara e fumaba en pipa como Jean-Paul Sartre, que era o meu ídolo. E érao porque era o pai da coherencia, como cando dixo que non quería o Nobel e rexeitouno. Ademais, dicía algo que para min daquela era un dogma: "Un anticomunista é un porco". Mesmo caíamos nun radicalismo un pouco cursi, como cando desprezabamos a Camus porque si aceptara o Nobel... Son cousas que hoxe parecen un pouco extremistas e radicais, pero era algo moi concreto dunha época. Ademais, expresarse en galego era tamén unha forma de significarte. Escribiamos, faciamos teatro ou dabamos conferencias en galego porque tamén era unha forma de posicionarse. De toda a súa traxectoria no mundo cultural, que é do que se sente máis orgulloso? O traballo editorial sempre me gustou moito e recibín moitos recoñecentos tanto por ese labor como polo que levei a cabo no mundo do teatro, pero insisto en que este recoñecemento que me dan agora emocióname máis porque abrangue toda a vida. "Sempre pensei que co reintegracionismo abríamos mercado e que era absurdo reducirse a Galicia se podiamos espallarnos ao Brasil" De Laiovento todos os autores destacaron sempre a liberdade que sentían nesa editorial... Si, lembro por exemplo aquel conflito que agora desapareceu algo, cando había unha normativa oficial e outra reintegracionista. Eu en Laiovento sempre apostei por primar a calidade por riba da grafía, ademais de pensar que coa opción lusista abríamos mercados e que era absurdo reducirse a Galicia se podiamos espallarnos ao Brasil. Pero claro, eses libros non os mercaba a Xunta se non estaban escritos na normativa oficial. Era discriminatorio. Cre que Galicia desaproveitou unha oportunidade única no mundo lusófono? Claro que se estragou... Se o Brasil fose a primeira potencia mundial do mundo, a xente non aprendería o inglés, aprendería o galego-portugués. É unha lei sociolingüista moi clara: sempre imitamos a quen temos que obedecer. A xente non aprende inglés para ler a Shakespeare, a xente aprende a lingua dos amos. Aquela aposta pola liberdade custoulle cartos? Naquel momento, si, claro, sobre todo polo feito de que a Xunta, por exemplo, non mercase as obras escritas noutra normativa. Era ruinoso. Eu podía permitirmo porque non vivía diso, pero se tivese que vivir daquilo... Perdía cartos. "A Xunta non apoia nada a cultura galega, non hai estímulo... Cartos hai, pero para outras cousas" En que situación ve agora a cultura galega? Non vexo que exista unha cultura galega. Evidentemente, hai moita xente traballando por ela e facéndoo con paixón e moi animadamente, pero refírome máis ben ao que se fai desde o Goberno galego. Non se apoia nada, non hai estímulo. Cartos hai, pero invístense noutras cousas. "Isto non é unha crise, é un espolio perfectamente preparado para levarnos ao modelo capitalista" Vostede sempre defendeu que esta crise actual non é tal, senón un espolio. É que eu non creo que sexa unha crise, senón un espolio perfectamente preparado para levarnos ao modelo social capitalista. E estano conseguindo. Reinaldo Arenas, o estupendo escritor cubano, marchou da Illa polas penas que había contra os homosexuais. Emigrou aos EUA pensando que alí atoparía o mundo libre, pero chega aló coa sida e acaba na rúa e chega á conclusión de que en Cuba non tería acabado así e de que o paraíso só chega en coche fúnebre. Pois eu estou de acordo: non quero paraísos, nin dun lado nin do outro. Que modelo quere ou ve factible, logo? Eu creo no marxismo, evidentemente. Paréceme que é o modelo social ao que debemos aspirar, sen clases, sen explotados nin explotadores. Demonizar o marxismo polo que pasou na URSS paréceme absurdo, coma se demonizásemos a Igrexa pola Santa Inquisición, porque a Igrexa católica fixo tamén moitas cousas ben. "Creo no marxismo, evidentemente; paréceme o modelo ao que aspirar: sen clases, sen explotados nin explotadores" Cónteme como empezou a traballar e colaborar no teatro con Manuel Lourenzo. Manuel e eu eramos un pouco raros porque xa de mozos apostabamos polo latín e polo grego, mentres a maioría apostaba pola física ou as matemáticas. A min o teatro sempre me gustou porque era unha forma de expresarse, de rachar coa censura. Interesábanos aos dous e así creamos a Escola Dramática Galega e aí dentro os Cadernos da Escola Dramática Galega nas que escollíamos as pezas teatrais máis significativas da literatura galega. Había moi pouquiñas obras e iamos tirando do fío para ir descubrindo máis. Durante toda a súa traxectoria, sentiuse pouco apoiado institucionalmente? É natural se vas na liña contraria. Sempre aceptei que tiña que ser así. Se apostas por unha normativa que non é a oficial ou por libros que non defenden o sistema vixente, é lóxico que non se te recoñeza; sería contraditorio. E non me importou porque o mundo editorial e do teatro non eran o meu modo de vida. Se o fosen, posiblemente tería que terme adaptado a todos eses hábitos para poder vender libros. "Non fun moi apoiado institucionalmente, pero ten que ser así se vas na liña contraria" Póñolle un exemplo: a existencia desta biblioteca é moi descoñecida e non parece que o seu valor sexa moi difundido... Non sei por que pasa, pero tampouco reclamo nada. Agora ben, eu creo que nunca se fixo unha inauguración oficial dela, así que é coma se non existise. Ademais, ao non haber inauguración non saes nos medios e se non saes nos medios, non existes. Na Universidade de Santiago hai outra biblioteca á que se cederon todos os materiais de meu pai, pero tamén está algo abandonada. Non se valoran estas cousas. Aquí mesmo hai varias máscaras das elaboradas por Castelao para Os vellos non deben de namorarse... Eu sempre admirei moito a Daniel Varela Buxán polo seu traballo no teatro na Arxentina. Coñecino, colaborei con el, fixemos cousas xuntos... E Castelao encargáralle a estrea d'Os vellos non deben de namorarse nos anos 40. Co paso dos anos, cedeunos estas máscaras daquela histórica peza. Como ve as novas xeracións? Os índices de lectura cada vez son máis baixos. Creo que as novas tecnoloxías afectan, pero non sei se no negativo. Sempre se vai evolucionando: eu na miña época estudaba caligrafía e iso parece agora do neolítico. Agora ben, eu creo que se le menos e que, ademais, lense menos os clásicos e deberían lerse máis. A literatura é como a música: podes escoitar unha canción varias veces, e cos libros pasa o mesmo. Eu releo moitos autores con frecuencia porque a experiencia vital tamén che fai ver cousas que non vías antes. Como ve a política en Galicia? Hai unha cousa na que reparo moitas veces: hai grupos políticos de esquerda que apenas teñen repercusión nos medios, non vexo nin escoito nada deles no Telexornal... Ou si, pero cando teñen problemas. O peor que che poden facer é ignorarte, e creo que con moitos fano. Cre vostede que se están a sentar as bases para un cambio político en Galicia? Quero ser optimista; non teño moita razón para o optimismo, pero si teño clara unha cousa: a nosa misión aquí é intentar deixar un mundo máis libre e máis digno aos fillos. Agora non vexo máis que precariedade entre os máis novos, esa competitividade que se fomenta dá noxo... Hai que ser máis solidario e creo que se están a perder moitos valores. O capitalismo sempre fomentou o individualismo, ensínanche a competir. "Nas noites electorais sempre escoito a ópera 'Nabucco', que di: 'Oh mia patria sì bella e perduta!" É certo que nas noites electorais acaba escoitando sempre unha mesma ópera? Si, Nabucco, de Verdi. Nela dise: Oh mia patria sì bella e perduta! (Oh, miña patria, tan fermosa e perdida!). É un costume, un costume que se repite, por desgraza. Recibe o recoñecemento da CRMH da Coruña. Que opinión lle merece a política respecto da Memoria Histórica en España? Nun país no que para coñecer a historia recente hai que facer unha Lei de Memoria Histórica, algo vai mal. É un disparate, non ten sentido ningún. Logo escoitas a quen di que desenterrar os mortos é reabrir feridas... Pois non, iso non é reabrir feridas senón explicar a historia, o que pasou. "Algo vai mal nun país que para coñecer a historia recente ten que facer unha Lei de Memoria Histórica" Por que cre que ocorre isto en pleno século XXI? Creo que o partido que nos goberna foi fundado por un ministro de Franco, ou non? E o PSOE? Pois puido facer as cousas mellor, claro, pero sen querer ser inxusto con esta formación, para moitas cousas son o mesmo un que o outro. Con Fraga, seu pai e vostede teñen varias anécdotas. Pois si. Por exemplo, cando meu pais dirixía La Voz de Galicia, publicárase no xornal un artigo que non gustara no Goberno franquista. Chamara á miña casa o delegado do Ministerio de Información e Turismo e eu collera o teléfono. Meu pai estaba durmindo porque chegaba moi tarde de traballar. "Tiene que localizarlo como sea porque tiene que venir aquí, a la Delegación de Información y Turismo", dixéranme. Meu pai foi e recibiuno o propio Manuel Fraga: "Usted le ha amargado el desayuno a su excelencia", berroulle. Ese era Fraga, si... E xa ves, logo fundou Alianza Popular. |
NOS_36999 | Non patrimonializar o escano do Bloque en Bruxelas. Socializalo. Tornalo o "escano do pobo galego". Ese foi o obxectivo do BNG na pasada lexislatura europea e ese é o propósito que anima a formación nacionalista para a próxima. Así o dixo esta quinta feira Ana Miranda, ao apresentar o documento O escano galego en Europa, editado pola Fundación Galiza Sempre. | O escano galego en Europa é un documento que recolle o traballo feito polo BNG no Parlamento europeu na pasada lexislatura, o labor da eurodeputada Ana Miranda. Miranda, quen aspira agora a voltar a Bruxelas, estivo acompañada no acto de apresentación desta obra por Xavier Vence e por Camilo Nogueira, o primeiro eurodeputado do BNG en Bruxelas. "Se de algo me sinto orgullosa do traballo destes anos na Eurocámara é de ter logrado que o escano do BNG fose o escano do pobo galego, de todos aqueles cidadáns e cidadás da nosa terra, votaran ou non ao BNG nas pasadas eleccións europeas. Foi un escano de país. Porque non houbo problemática que lle afectara a Galiza que non fora tratada no Parlamento Europeo grazas á voz do BNG", dixo Ana Miranda. "Foi o escano máis produtivo para Galiza, porque en ano e medio presentamos máis iniciativas que o PP e o PSOE xuntos en 5 anos" A candidata exemplificou o traballo do BNG a prol do país con iniciativas arredor do veto á construción naval nos estaleiros de Ferrol, o acordo pesqueiro con Mauritania que marxina a frota galega, o nulo saneamento das rías galegas..."Foi o escano máis produtivo para Galiza, porque en ano e medio presentamos máis iniciativas que o PP e o PSOE xuntos en 5 anos", afirmou Miranda. O escano do BNG quer ser o escano do pobo galego e quer ser tamén, enfatizou, o escano que patentice a vontade de Galiza de "ser unha nación en Europa", vontade que xa expresou no seu día en Bruxelas Camilo Nogueira, salientou Miranda. "A nosa é unha nación sen Estado, igual que lles ocorre a outros 65 millóns de cidadáns da UE", dixo. |
NOS_12979 | Os manifestantes crebaron o perímetro de seguridade que rodeaba a residencia oficial de Rajapaksa. A Policía recorreu aos gases lacrimóxenos para evitar a intrusión, aínda que o presidente abandonara previamente a zona. | Centos de manifestantes entraron este sábado na residencia oficial do presidente de Sri Lanka en Colombo, Gotabaya Rajapaksa, durante unha xornada de protestas masivas para esixir a dimisión do presidente pola súa xestión da crise económica. Segundo a prensa local, os manifestantes crebaron o perímetro de seguridade que rodeaba a residencia oficial de Rajapaksa. A Policía recorreu aos gases lacrimóxenos para evitar a intrusión, aínda que o presidente abandonara previamente a zona. Fontes do Ministerio de Defensa declararon que o presidente Gotabaya Rajapaksa foi evacuado das instalacións oficiais na sexta feira para asegurar a súa seguridade antes da manifestación prevista para a fin de semana. Francia nacionalizará por completo a empresa eléctrica EDF para garantir o subministro Miles de persoas concentráronse en Colombo para conmemorar o terceiro mes de continuas protestas que esixen a dimisión de Rajapaksa pola súa xestión da crise económica. O país está en bancarrota, nunha situación económica e social moi grave. A pesar da escaseza de combustíbel que paralizou os servizos de transporte, os manifestantes embarcaron en autobuses, trens e camións desde varias partes do país para chegar a Colombo para protestar pola incapacidade do goberno de protexelos da ruína económica. As protestas comezaron en marzo, cando as autoridades impuxeron cortes de luz de máis de 13 horas diarias. O descontento empeorou nas últimas semanas a medida que o país, con graves dificultades económicas, deixou de recibir envíos de combustíbel, forzando o peche das escolas e o racionamento de gasolina e gasóleo para servizos esenciais. A terceira crise do século XXI xa chegou á Galiza |
NOS_48134 | Nos últimos días, colectivos ecoloxistas criticaron o "malgasto" dos recursos hídricos por parte do Concello de Vilagarcía ao seguir adiante coa celebración. | Os efectos da seca están a deixarse notar en multitude de ámbitos do día a día das vilas e cidades da Galiza. As celebracións non escapan da falta da auga, e menos cando se trata da Festa da Auga de Vilagarcía de Arousa, unha das máis populares do período estival no país. Critican o "malgasto" na Festa da Auga de Vilagarcía malia a seca Precisamente, a principal novidade da edición deste ano, que comeza esta terza feira ás 12.15 horas, é que os asistentes volverán ser mollados pola veciñanza da vila desde os balcóns cos "tradicionais" caldeiros de auga. Porén, o Concello anunciou que non se habilitarán mangueiras na Praza da Galiza e na rúa Conde Vallellano. Neste sentido, a concelleira de Cultura e Festas, Sonia Outón, explicou que o formato que deste ano está "adaptado ás circunstancias" e é "máis tradicional". Vilagarcía recupera así a Zona Húmida na que a veciñanza ten permitido tirar auga polas ventás con caldeiros. ENQUISA | Cres que debe celebrarse a Festa da Auga a pesar da alerta de seca? A edil sinalou que esta medida tomouse para "reducir o consumo" ante a seca que afecta o país. Por parte da comisión veciñal Auga que non has de beber, tamén comparten esa opinión e remarcaron que "a sustentabilidade ten que estar en concordancia coa festa". Outras medidas Ademais de eliminar as mangueiras, por parte do Consistorio tamén se anunciou que as fontes ornamentais de Vilagarcía permanecerán baleiras mentres dure a festa, tal e como xa sucedeu en edicións anteriores. Aumentan as restricións de auga ante o "peor ano hidrolóxico" desde que hai rexistros Con todo, Outón sinalou que haberá "fontes de botón" nas que se poderán encher as pistolas de auga, globos ou outros obxectos empregados para o "combate corpo a corpo". Tanto o Concello como a comisión veciñal aseguraron que estas medidas non van cambiar a celebración e aseguraron que "a diversión e as molladuras están garantidas". Camións cisterna, cortes de subministro e outras medidas para facer fronte á seca Por último, o Goberno local pediu "o uso responsábel" da cantidade de auga da que fagan uso a veciñanza e as persoas que asistan doutras partes da Galiza. Críticas dos ecoloxistas Desde Ecoloxistas en Acción inciden en que "non se trata" dos litros de auga que se tirarán, senón da "mensaxe que se traslada á poboación" de que "pode seguir esgotando recursos críticos, como a auga, sen que isto cause graves consecuencias". Os ecoloxistas preguntan que "autoridade moral" terá o Goberno local de Vilagarcía para demandar aos veciños e veciñas medidas drásticas de aforro no consumo de auga se se prolonga a seca, cando organiza unha festa que a "malgasta". |
NOS_37607 | Era o 4 de febreiro de 1962 cando o líder da Revolución Cubana, Fidel Castro, pronunciaba a II Declaración da Habana, un texto que sentou as bases para a unidade dos pobos de Latinoamérica contra o imperialismo dos EUA. | Fanse 55 anos da II Declaración da Habana, considerada unha afirmación de principios a favor da proxección latinoamericana da Revolución Cubana e que fixo un chamamento á unión dos pobos de Latinoamérica contra a inxerencia dos EUA. A expulsión de Cuba da Organización de Estados Americanos (OEA) en xaneiro de 1962 impulsou o texto, aprobado por aclamación na Asemblea Xeral do Pobo, reunido na praza da Revolución José Martí. Na súa intervención, hai hoxe 55 anos, Fidel Castro denunciaba o intervencionismo dos EUA na política interna dos países de América Latina e reafirmaba a dignidade nacional, a autodeterminación e a soberanía do país fronte ás agresións impulsadas por Washington. Diante dun millón e medio de persoas, Castro explicaba que acusaban Cuba de subversiva por facer realidade o reparto agrario, acabar co analfabetismo, expandir os servizos médicos, nacionalizar os monopolios, armar o pobo ou por recuperar a soberanía nacional. |
NOS_49890 | Máis dunha centena de mulleres reuniuse esta mañá na praza da Peregrina en Pontevedra para interpretar 'Un violador no teu camiño', a performance representada por primeira vez o pasado 25-N en Santiago de Chile cunhas 10.000 participantes e viralizada a través das redes sociais. | Cidades como A Coruña sumáronse tamén nesta sexta feira á iniciativa, creada polo colectivo artístico chileno LasTesis e replicada en distintos países de América Latina. En Compostela, a acción está prevista para o vindeiro día 9, ás 21.30 horas no Obradoiro, e en Ferrol, a convocatoria é para o día 11, ás 20 horas, no Cantón de Molíns. Vigo desenvolverá a coreografía reivindicativa o día 14, fronte o mercado do Calvario, ás 12 horas e ao día seguinte está chamado o feminismo de Padrón, que convoca ás 12 horas na rúa Real. O obxectivo desta iniciativa, segundo manifestou a Europa Press Vicky Estévez en representación das promotoras da acción en Pontevedra, é "que se vexa a forza do movemento feminista a nivel mundial". Neste caso, a proposta xurdiu desde a Batucada Feminista de Pontevedra, que aglutina a varios colectivos de mulleres da cidade, e contou coa adhesión doutras organizacións próximas como o Colectivo Feminista Zeivas e o Colectivo Feminista de Marín. |
PRAZA_11653 | Anisa é unha máis dentro das protagonistas invisibles do conflito iemení. Ela viviu tres anos en Markazi, o campo de refuxiados iemenís en Djibuti, onde deu clases. Xa de volta no seu Adén natal, o currículo feito en Djibuti e as ganas de mellorar e de axudar serviron para que Anisa conseguise axiña traballo onde quería, nunha ONG | O café, un dos produtos máis comercializados do mundo, descubriuse no que os romanos deron en chamar Arabia Felix, Arabia feliz, polo clima agradable e a beleza natural do lugar. Situado na actual Iemen, este oasis montañoso de costas bañadas polo mar Vermello e mailo Arábigo, foi un dos principais portos de comunicación entre Oriente e Occidente, amais de ser o sitio onde se construíron os primeiros rañaceos do mundo, unhas construcións de adobe que comezaron no século iv e que aínda se conservan a día de hoxe, agás as que foron destruídas. Porque o esplendor desa terra fértil que loou a propia raíña de Sabá e que serviu de complexo turístico para o imperio británico, hoxe é fame e guerra; un dos países con máis armamento e miseria do mundo, que é descoñecido, tanto polo seu pasado como polo seu presente, e ignorado respecto dos plans de futuro.Conta a lenda que foi un pastor etíope quen descubriu o arbusto do café, do que comían alegremente as súas ovellas, e que o primeiro café se elaborou preto de Moca, na costa iemení. Alí, un monxe sufí comezou a usar a cocción feita cos grans para entrar en éxtase e render así homenaxe a Deus en cerimonias que duraban toda a noite. Dese xeito, grazas ás continuas viaxes dos monxes sufís, o café chegou ao Norte de África e a Oriente Medio, e así Moca converteuse nun centro comercial de importancia. E co negocio dos grans abriron os primeiros cafés, que enseguida incorporaron música e faladoiros, mais tamén o descontento de certos gobernantes, que pronto sucumbiron ante o éxito deses qahweh kaneh. Paseniño, a escarpada orografía do Iemen provocou que o seu café fose non só un dos máis estimados do planeta, senón tamén un dos máis caros. E así, o qat, unha planta semellante á folla de coca e que se masca en toda a rexión, gañou un terreo cada vez máis difícil para os comerciantes occidentais, temerosos de entrar en rexións dirixidas por tribos ou milicias locais, que agora mesmo sobreviven mergulladas nunha guerra que, dende 2015, provocou arredor de 80.000 mortos, 7000 deles civís. A estes números aínda é necesario sumarlle os daquelas persoas que morreron a consecuencia dos desastres humanitarios provocados pola guerra, como os 50.000 nenos e nenas que faleceron de fame durante 2017, os preto de tres millóns de desprazados, o case millón e medio de afectados de cólera, os 16 millóns que carecen de comida e auga potable, e os máis de 22 millóns, nun país de 29 millóns, que precisan dalgún tipo de axuda humanitaria. Malia as dificultades e penurias, a vida segue neste enclave árabe noutrora só famoso pola riqueza natural, enriquecida co traballo das xentes que por ela pasaron. Entre esas que a habitan está Anisa, refuxiada en Djibuti durante tres anos e sobrevivente en Iemen o resto da súa vida. Entre os impulsores dunha nación recuperada e moderna está Mokhtar Alkhanshali, un empresario novo iemení que fixo rexurdir o café e o seu negocio nun país sumido en inxustizas.Mokhtar Alkhanshali é o protagonista da novela biográfica The Monk of Mokha (O monxe de Moca), de Dave Eggers. Mokhtar, que naceu en Estados Unidos, foi un «nini» criado nun pequeno apartamento dos suburbios da cidade de San Francisco e que amais de pasar o día cos amigos, nun barrio onde as drogas, o alcol e a prostitución eran normais, gozaba coa lectura. Foi esta a que provocou nel certas inquedanzas e ideas de cambio, aínda que foron os pais quen lograron que ese pícaro mudase ao decidiren que marchase vivir cos avós de Iemen un ano. Alí, entre montes de café, Mokhtar vive o soño de se converter nunha persoa produtiva ao embarcarse no comercio do café; algo que logo aproveita Eggers na súa obra para contar a historia do Iemen cafeteiro e amosar que outro futuro é posible. De feito, Mokhtar non só resucitou o café e os seus cultivadores; grazas á fundación que creou, a «Mokha Foundation», mellorou a calidade de vida de parte de Iemen dun xeito que involucra a poboación en estratexias de empoderamento económico.Anisa é unha máis dentro das protagonistas invisibles do conflito iemení. Ela viviu tres anos en Markazi, o campo de refuxiados iemenís en Djibuti, onde deu clasesAnisa é unha máis dentro das protagonistas invisibles do conflito iemení. Ela viviu tres anos en Markazi, o campo de refuxiados iemenís en Djibuti, onde deu clases. Chegou como estudante da licenciatura de lingua e literatura inglesa e ao pouco comezou a exercer como mestra. Conta que, malia o que representa a fuxida do lar e o feito de vivir como refuxiada, a experiencia foi positiva tanto no profesional como no persoal. Creceu como persoa, pois pasou a coidar dos seus irmáns como unha nai e a traballar, sen esquecer as súas orixes e devecendo por volver á súa terra. Xa de volta no seu Adén natal, o currículo feito en Djibuti e as ganas de mellorar e de axudar serviron para que Anisa conseguise axiña traballo onde quería, nunha ONG. En Intersos encárgase da supervisión da distribución de material para aquelas persoas máis necesitadas e no tempo libre desfruta da tranquilidade de estar de volta na casa, aínda que sexa coa presión constante da guerra e os continuos ataques. E a pesar diso, segue en pé e riseira, sen esquecer esas experiencias que a fixeron madurar e esas amizades que a axudaron, como é o caso de Lubna, unha djibutiana que ao pouco de chegar a Markazi se converteu na súa mellor amiga. Souad Said, Lubna, é unha moza da aldea de Markazi. En marzo de 2015, cando o goberno djibutiano abriu as portas aos refuxiados iemenís, comezou a traballar como voluntaria no campo de refuxiados que os acolleu. Alí traballou día e noite como tradutora e coñeceu a Anisa. Confesa que ao principio non sabía moito do outro pais, agás que era un deses sitios aos que podía ir e por onde pasaban milleiros de etíopes, na procura dunha mellor vida, camiño de Arabia Saudita. Recoñece que o seu amor polo país veciño aumentou ao entrar en contacto coa súa xente e que Anisa se converteu nunha das mellores amigas que ten, á que quere ir visitar en canto poida. De momento, con todo, confórmase con seguir co seu traballo, axudando os refuxiados que seguen no campo de Markazi e que neste momento son preto dos 2500.Adén, no sur do Iemen, é unha esquecida cidade costeira que renace entre os entullos da silenciada guerra. Nun peirao que chegou a ser o segundo máis grande do mundo durante os anos do imperio británico, na década de 1950, mestúranse balas e salitre con peixes e sol. Recupera devagar o esplendor natural desa cidade que foi unha vez moderna, nun país onde a antigüidade sempre foi da man do futuro, como amosan eses primeiros rañaceos da historia, parapetos dun centro neurálxico polo que pasaron os comerciantes que percorrían as rutas das especies e do incenso, e que levaron a Iemen a estar no centro do universo.Nesa cidade naceu, hai 26 anos, Anisa. Alí se criou até que un novo conflito provocou a fuxida. Atrás deixou o Iemen que en 1967 abandonaran os británicos, e que dende aquela non deixou de vivir entre guerras. A última, a que comezou en 2015, cando o movemento teolóxico dos hutis invadiu Adén, o último bastión do presidente do goberno, Hadi, e que logo se ramificou e provocou enfrontamentos entre diferentes faccións. Malia non haber cifras para o número de casos de violacións de dereitos humanos nestes anos, sábese que a guerra deixou un 70% da poboación con necesidades humanitarias e provocou o desprazamento de máis do 10%, entre eles, Anisa, que volveu ao país hai un ano, tras tres no campo de refuxiados de Markazi.En abril de 2015, Anisa colleu no porto de Adén un barco repleto de xente con diferentes historias. Igual que na viaxe de volta, non puido despedirse de ninguén e non cargou maletas, só a dor da renuncia aos seres queridos. Tras 15 horas de travesía, chegou co resto ao porto da cidade de Djibuti, da que non coñecían nada, e onde quedaron varados até xuño, cando os pasaron á area dun campo de refuxiados temporal no que pronto se construíron tendas-escola de campaña nas que Anisa pasou de ser a estudante universitaria dunha familia, a mestra e nai, pois administrou a súa propia tenda de campaña cos irmáns, e aprendeu a vivir cunhas dificultades ás que non estaba afeita no «Iemen al-Said», o «Iemen feliz» no que vivira até entón e que fora un lugar alegre onde podía ir á praia decotío, pasear, ler e desfrutar de familia e amigos.Conseguiu retomar os estudos na universidade e adoece por continuar unha mestría que lle permita estar preparada dabondo para exercer no seu país, en paz e unificado, porque non cre que a división que claman algúnsA nova vida en Markazi trouxo novas amizades á vida de Anisa. Con elas compartiu moitos momentos que agora bota de menos, como os que pasou con Lubna. Porén, o campo de refuxiados nunca deixou de ser un lugar temporal e por iso, cando a situación o permitiu, regresou á casa. Alí aínda estaban as cousas que deixara e nela vive agora cos tres irmáns cos que viviu en Djibuti, á espera da nai, que como moitos outros refuxiados vive en Alemaña, mais devece por volver ao seu lar.Aínda que a vida en Adén non é tan segura como antes da guerra, Anisa di que agora pode saír á rúa e ir á praia e nadar, case como antes. Conseguiu retomar os estudos na universidade e adoece por continuar unha mestría que lle permita estar preparada dabondo para exercer no seu país, en paz e unificado, porque non cre que a división que claman algúns, e que semella só responder a axudas monetarias dun ou doutro bando, sirva para mellorar a situación da súa «Iemen al-Said». |
NOS_52394 | Publicou un chío no Twitter coa advertenza dando por certo o que conta un columnista de 'El Mundo' que define a greve como unha "tropa soberanista nutrida de descerebrados'. O protesto iniciouse hai máis dunha semana após a aprobación do decreto do 'Tratamento integral das linguas', que reserva para o catalán nas aulas a mesma porcentaxe, o 33%, que para español e inglés. | "Pais están obrigados a levar fillos a escola. De non ser así, TM ten potestade para retirar a custodia. art FMerino hoxe en @elmundobaleares". Foi o chío que publicou na súa conta persoal do Twitter Ana María Aguiló, deputada do PP nas Illes Balears, e onde "TM" significa Tribunal de Menores. É dicir, no marco dunha greve que se prolonga xa durante nove días en contra da aplicación do decreto do Tratamento integral das linguas (TIL) --unha norma copiada do 'decretazo' galego e que obriga a impartir o 33% das aulas en inglés en detrimento do catalán-- unha persoa que ocupa un cargo público ameaza desde unha rede social ás nais e pais que secundan o paro con mover ficha para que lles retiren a custodia das súas crianzas. E todo isto dando por certo o que conta un columnista de El Mundo, Fernando Merino, nun artigo publicado na edición balear que leva por título 'Obstruír' e en que tilda as persoas que fan greve de "tropa soberanista nutrida de descerebrados". Varrer o catalán das aulas Nais e pais organizaron quendas rotativas co persoal docente para que este último non carrexe con todas as responsabilidades --laborais e económicas-- derivadas do protesto contra o TIL, impulsado polo Govern balear, en mans do PP. Ao igual que fixo a Xunta da Galiza cando este partido chegou ao poder en 2009, tamén nas Illes pretenden varrer o catalán das aulas aplicando un decreto que contempla que só o 33% das materias se impartirán na lingua propia, fronte ao 66% que se impartirán en lingua estranxeira: español e inglés. A deputada do PP di que as crianzas son usadas "de reféns" Após aplaudirse a si propia polo suposto efecto que causou a publicación do seu chío --"vexo que se puxeron moi nervosos ao lles recordar a lexislación aplicábel e a existencia dun órgano que defende o menor"--, a deputada Aguiló explicou que non pretendía ameazar a nais e pais, senón que actuara ao se ver "na obriga de lles recordar que o menor ten o dereito e o deber de asistir aos centros educativos". E acrecentou: "se o traballador quere facer greve que a faga, mais que non empregue os nenos como reféns". Nas Illes, o catalán foi lingua vehicular no ensino durante décadas e en moitas escolas públicas apostaron pola inmersión. O decreto racha con esta política educativa ao dispor que tanto esta lingua coma o castelán e o inglés son "ferramentas para impartir materias de maneira equilibrada entre as tres". E xa de paso, a comunidade educativa balear protesta tamén polos recortes no ensino público, que se cebaron, ao igual que na Galiza, co profesorado, cos salarios, coas bolsas, co transporte e cos comedores escolares. |
NOS_40183 | Este verán está sendo moi estraño dentro desta nova normalidade (aínda máis estraño que o verán pasado), así e todo, estamos asistindo a unha explosión de músicas e sobre todo, músicas en directo, bastante formidábel. | Chegar ao verán non foi fácil, dígovolo como música practicante. Pensar que en calquera momento por causa da pandemia da Covid, se pode vir abaixo todo concerto ou evento da cultura, non é fácil. Nunca antes aquela expresión de orixe latina Carpe Diem, tivo tanto sentido. Vivir o momento, nunca foi tan urxente, así que se tedes a ocasión de ir a un evento musical ou a un evento cultural do tipo que sexa, acudide!. Pensade no presente, vivide no agora! Peixe / Xisco Feijoo / Sorte Discos / 2021 / Dez pezas / 23 euros Este verán está sendo moi estraño dentro desta nova normalidade (aínda máis estraño que o verán pasado), así e todo, estamos asistindo a unha explosión de músicas e sobre todo, músicas en directo, bastante formidábel. Aí están a Guadi Galego e a súa magnífica banda en plena xira de Costuras, que namora a toda vila á que chega, e aí está a incansable voz de Xabier Díaz e Adufeiras, regalando coplas lindas alá onde van. Hai que dicir deste novo xeito de facer eventos en directo en exterior, que non todo é tan negativo. A min gústame especialmente que, grazas a que hai cadeiras onde sentar, vexo a señoras e señores da idade das miñas avoas que acoden a concertos. Antes desta era Covid, seguramente polo feito de estaren de pé e detrás de todo, nin sequera pensarían en escoitar ou acudir ao concerto. Tamén vexo positivo estas capacidades limitadas, sen aglomeracións onde te sentes cómoda e non hai empuxóns, nin inseguridade, ou será que me estou volvendo maior… Nesta sección que chamarei "Aire fresco de verán", veño contarvos tamén de novas propostas musicais que non podedes perder. Comezo cunha canción que da título a esta "mini" sección, Aire, de Caamaño-Ameixeiras. Esta peza cantada pola voz de Antía Ameixeiras, invita a un serán de foliada onda o mar, preto do segredo máxico da Costa da Morte. Estas dúas rapazas virtuosas están de xira polo país e é necesario que as escoitedes ou que lle sigades os pasos, aínda que tamén as podedes escoitar en calquera plataforma dixital. Outra proposta que enche o peito de flores é a de Néboa. Teñen un disco chamado A realidade enganosa que veu de gañar como mellor álbum en galego nos premios da música independente. Néboa ten unha música eléctrica e fráxil, cunhas voces acristaladas e suxerintes, que mesturan novos ritmos con letras inspiradas na tradición. E por último, unha pirueta, unha desas propostas que sacoden o corpo inesperadamente. Refírome ao afoutado Xisco Feijoó, e o seu Peixe, que podedes escoitar nas plataformas dixitais, no marabilloso formato físico ou nos vibrantes directos que consegue, onde mestura o baile, os ritmos frenéticos, a tradición toda e esa voz de madeira nobre. |
NOS_414 | O II Congreso nacional de CxG decorrerá o día 21 en Teo sob o lema 'Renovando o galeguismo' e cunha única candidatura á secretaría xeral, a de Juan Carlos Piñeiro. | O II Congreso Nacional de Compromiso por Galiza decorrerá este sábado, 21 de xaneiro, en Teo baixo o lema 'Renovando o galeguismo.Nova organización.Novas accións'. Maniel Vello, secretario de organización da formación galeguista afirmou que "este será o conclave máis importante de Compromiso desde a súa constitución. Destacou, aliás, que será "o relanzamento do partido". O secretario de organización apelou á necesidade de renovación "da idea de que levamos moitos anos sen un galeguismo organizado" e que hoxe en día Compromiso ten "con dúas alcaldías significativas e uns trinta concelleiros", representa "o galeguismo máis organizado e o de maior implantación do país". Vello salientou que entre os 41 candidatos e candidatas ao Consello Político Nacional "hai moitas caras novas".Os congresistas votarán tamén unha nova cara para a secretaría xeral do partido, á que só presentou candidatura Juan Carlos Piñeiro. Neste segundo Congreso Nacional estará presente unha delegación da executiva do Partido Nacionalista Vasco. |
NOS_23521 | Unha enquisa que publica 'The Sunday Times' reflicte o ascenso das posicións independentistas e sitúa dous puntos por riba esta opción á de continuar no Reino Unido. | O 'Si' á independencia de Escocia toma por primeira vez a dianteira ao 'Non' (51-49 por cento) nunha enquisa publicada este domingo por 'The Sunday Times' con vistas ao referendo previsto para o 18 de setembro. A empresa demoscópica YouGov, encargada do estudo, sinala que esta diferenza de só dous puntos supón un "empate técnico" estatístico entre as dúas tendencias, aínda que recoñece que é a primeira vez en toda a campaña que o 'Si' supera en intención de voto á opción unionista. O 'Si' beneficiouse da vitoria do ministro principal escocés, o nacionalista Alex Salmond, no debate do pasado 25 de agosto. Salmond enfrontouse ao líder da campaña a prol da dependencia de Londres Better Together (Mellor Xuntos), Alistair Darling. |
NOS_5057 | Nunha rolda de imprensa realizada este sábado en Compostela, Xesús Domínguez enfatizou que, malia que no edificio do Hórreo entraron só unhas poucas persoas, os reproches que se lle fixeron á Xunta "reflexan o sentir de 68 mil afectados". Exixen a Feijóo que "non fuxa" e que presione a Madrid na procura dunha solución para unha estafa "organizada polo propio Goberno". En Vigo, centos maniféstanse en prol dunha arbitraxe "sen privilexios" | As plataformas de afectad@s pola estafa das participacións preferentes na Galiza consideran que a intención da presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, de solicitar informes policiais sobre o acontecido no último pleno da Cámara "non é de recibo". Nunha rolda de imprensa realizada este sábado en Compostela, Xesús Domínguez enfatizou que, malia que no edificio do Hórreo entraron só unhas poucas persoas, os reproches que se lle fixeron ao Goberno da Xunta "reflexan o sentir de 68 mil afectados". Tal e como apuntou Antonio Sánchez, un dos que increpou a Feijóo, nunha entrevista concedida a este xornal, a idea de asistir pacíficamente á interpelación que sobre as preferentes faría o PSOE viuse truncada cando observaron como o presidente do Executivo galego abandonaba o Hemiciclo, acompañado doutr@s deputad@s do PP. "Sentíronse moi indignados", recalca Domínguez, quen insta a Feijóo a incidir sobre o Goberno español para resolver "un problema que é deles e son eles quen teñen que resolvelo, mais a Xunta non pode fuxir nin escudarse noutros estamentos, ten que presionar". A xuízo d@s estafad@s, a postura mantida polo líder do PP na Galiza foi "indigna", ao marchar do Parlamento cando lle ían preguntar pola comercialización con estes produtos realizada por Novagalicia Banco. A solución que o ministro De Guindos colocou riba da mesa avocaría @s aforrador@s a quedar sen o 40% do diñeiro e canxear o outro 60% por accións de NGB que non cotizan na bolsa. Unha estafa "organizada polo propio Goberno""Semella evidente que esta estafa está organizada polo propio Goberno", acrecentou o voceiro da plataforma de Compostela, que falou en nome de todos os colectivos galegos de afectad@s. "Non podemos admitir que se nos ameace con investigacións", subliñou Xesús Domínguez, enfatizando que Feijóo debera "autoinvestigarse" para determinar se o seu proceder, "após meses ocultándose de nós", é o correcto. Tamén este sábado, centos de persoas estafad@s percorreron as rúas do centro de Vigo para exixir que as 70 mil familias afectadas vexan o seu caso sometido á arbitraxe, "sen privilexios". Polo de agora, unicamente 10 mil recuperaron os seus aforros, segundo os datos que manexa a consellaría de Economía. Antes das eleccións cada día resolvíanse 20 casos; agora as entradas diarias reducíronse a tres. As mobilizacións continuarán tamén nestas festas. |
NOS_12604 | A adaptación cinematográfica da novela de Blanco Amor estrearase comercialmente a próxima sexta-feira nas salas de toda Galiza após colleitar grandes críticas no primeiro visionado público. | A estrea oficial de A Esmorga, a película dirixida por Ignacio Vilar segundo a novela de Eduardo Blanco Amor, tivo lugar onte na gala inaugural do Festival Internacional de Ourense, na cidade na que está ambientada a narración, onde unha sala chea de público despediu cunha grande ovación o filme. Foron unánimes os recoñecementos para a película, protagonizada por Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán, Morris, que -xunto ao director- antes falaron para os medios sobre as dificultades desta adaptación cinematográfica, cuxa rodaxe resultou especialmente duro para os actores, polas condicións atmosféricas, por exemplo. "É un filme que impresiona pola súa dureza", asegurou Antonio Durán, namentres que Ignacio Vilar defendeu o uso da lingua galega no cinema e destacou a fidelidade da película co texto orixinal. Así mesmo, pediu que o público acuda ás salas na primeira fin de semana -a estrea comercial será a próxima sexta-feira- "porque é o que decide a vida dun filme". |
PRAZA_10251 | A extrapolación dos resultados das europeas en Galicia sitúa o PSdeG como primeira forza parlamentaria á fronte dunha maioría de esquerdas; a das municipais mantén o PP como primeiro, pero sen posibilidade de suma para gobernar | D.L.Isto é unha simulación. Un xogo matemático que non vai alén de bosquexar tendencias políticas e que, en ningún caso, é quen de predicir o comportamento do electorado en procesos electorais diferentes. Se Galicia votase nas eleccións galegas previstas para 2020 como o fixo o 26M tanto nos comicios europeos como nos municipais, o PP perdería a Xunta con toda probabilidade. É a conclusión que é posible tirar ao extrapolar os votos do pasado domingo nas catro circunscricións galegas.Cun comportamento electoral como o das eleccións ao Parlamento Europeo, nas que o PSdeG foi o máis votado en Galicia cunha vantaxe de 14 puntos sobre o PP, a esquerda sería maioritaria na Cámara con sete escanos de marxe sobre a maioría absoluta. Nesta extrapolación os socialistas serían a primeira forza do lexislativo cunha vantaxe sobre o PP cimentada nos resultados da Coruña (10 escanos fronte a 8 populares) e Pontevedra (9 fronte a 7). En Lugo e en Ourense ambas formacións empatarían as seis.A extrapolación dos resultados das europeas en Galicia sitúa o PSdeG como primeira forza parlamentaria á fronte dunha maioría de esquerdas; a das municipais mantén o PP como primeiro, pero sen posibilidade de suma para gobernarO resultado sería un arco parlamentario con 31 representantes do PSdeG, 8 do BNG e 5 de Unidas Podemos pola banda esquerda. O PP pasaría dos 41 escanos cos que conta na actualidade a 27 e mesmo sumando con Ciudadanos, que debutaría no Pazo do Hórreo con 4 membros, ficaría lonxe da maioría necesaria para gobernar.A extrapolación dos resultados das municipais, nas que o PP foi o máis votado no resultado global galego pero separado por menos dun punto do PSdeG, segunda forza, mantén os populares como grupo máis numeroso do Parlamento, pero sen posibilidade de cruzar o limiar dos 38 escanos da maioría. Esta simulación indica que o PSdeG pasaría dos seus actuais 14 escanos a 27 e o BNG, dos 6 que ten na actualidade a 9. Xunto a eles, unha suma das principais mareas municipais e mais das candidaturas agrupadas en torno a En Marea no pasado 26M como se fosen unha única opción electoral tería 4 escanos. Así, a banda esquerda sumaría 40 escanos, dous máis dos precisos para a maioría nun Parlamento no que entraría Democracia Ourensana nun escano.As extrapolacións das anteriores municipais e europeas tamén situaban o PP sen maioría absoluta en Galicia, pero en 2016 volveuna lograrOs resultados desta simulación súmanse aos tirados dun exercicio semellante cos das pasadas eleccións xerais do 28A. Aquela extrapolación deixaba o PSdeG como primeira forza do Parlamento de Galicia con 28 escanos e con posibilidade dunha alianza pola esquerda con 10 representantes de En Común-Unidas Podemos e 2 do BNG. Naquela ocasión a extrapolación situaba o PP con 25 escanos e outorgaba 8 a Ciudadanos e 2 a Vox.No anterior ciclo electoral as extrapolacións de europeas e municipais tamén situaban o PP fóra da Xunta, aínda que por unha marxe menor que agora. Concretamente, os resultados das europeas de 2014 situaban os de Feijóo con 35 escanos no Pazo do Hórreo e a extrapolación das municipais de 2015 daríanlle unha desvantaxe semellante. Non obstante, nas eleccións galegas celebradas ao ano seguinte, en 2016, os populares lograron unha cómoda maioría de 41 escanos e algo máis do 47% dos votos. |
NOS_27946 | A RAG levou a cabo a súa investigación e posterior elaboración do informe a través de textos notariais medievais ou cartografía histórica, ademais de outros documentos parroquiais. | A Real Academia Galega (RAG) anunciou no día de onte que o seu Seminario de Onomástica proporá á Xunta da Galiza que a parroquia carballesa de Berdillo pase a escribirse con 'V' no canto de con 'B'. Esta proposta nace dun estudo elaborado pola RAG, a partir dunha petición do Concello de Carballo, para esclarecer cal era o uso correcto. Ana Boullón: "A onomástica permítenos crear a nosa biografía xeográfica, individual, familiar e colectiva" O informe, baseado en testemuños históricos e da veciñanza da parroquia, apuntan a que a denominación máis habitualmente empregada é a de Verdillo. Desta maneira, será agora o Goberno galego o que decida se recolle no Nomenclátor revisado o cambio na grafía do topónimo desta parroquia. Investigación da Academia A RAG levou a cabo a súa investigación e posterior elaboración do informe a través de textos notariais medievais ou cartografía histórica, ademais de outros documentos parroquiais. Entre eles, a Academia resalta a importanvia de San Paio de Antealtares , Soandres y Toques: tres monasterios medievales gallegos, de Manuel Lucas Álvarez, no que se fai referencia á freguesía de San Lourenzo de Verdillo, dependente do mosteiro de Soandres 160.000 microtopónimos da Galiza, nun clic O estudo reflicte que o uso maioritario de Verdillo e non de Berdillo prolongouse durante o século V até o XVIII. A partir dese momento, e a pesar de que os libros parroquiais seguían a recoller o topónimo co V, nos rexistros oficiais ficou finalmente o topónimo co B. |
NOS_24689 | O BNG abandonará o goberno municipal de Ourense se o alcalde socialista non renunciar. Tamén o PSdeG estaría matinando exixir a saída do seu rexedor. De manter a negativa producirase unha crise de goberno que deixaría o alcalde en minoría. | Francisco Rodríguez xa está en liberdade. Despois de máis de 70 horas privado de liberdade tras ser detido dentro da operación "Pokemon", o alcalde socialista abandonaba os xulgados pasada a unha da madrugada deste domingo, baixo fianza de 6.000€. A xuíza Pilar de Lara impútalle a Rodríguez delitos graves, prevaricación e suborno. Na súa declaración que se prolongou por espazo de tres horas, Rodríguez negou ter recibido subornos da concesionaria municipal da ORA e da limpeza dos edificios municipais de Ourense. A xuíza tamén interrogou o alcalde a respecto do servizo da grúa municipal. Segundo transcendeu das declaracións de varios representantes de Vendex, estes terían recoñecido regalar un reloxo de alta xoiería ao primeiro edil. Francisco Rodríguez negou rotundamente tal extremo. "Nunca recibín un reloxo de ouro como regalo" sentenciou. O interrogatorio ao que foi sometido tivo como base varios tomos de documentación, en que se recollen as transcricións das escoitas policiais practicadas --entre outros-- ao teléfono do alcalde durante os últimos oito meses. Nelas figurarían conversas das cales se podería deducir intercambio de favores entre o alcalde e empresas. Precisamente, un dos aspectos que se estaría abordar no caso "Pokemon" é que os presuntos favores, en forma de contratos, se compensaban con diñeiro e tamén con outro tipo de obsequios. Á saída do xulgado de Francisco Rodríguez, agardábano concelleir@s do grupo socialista de Ourense e a súa muller. Rodríguez recoñeceu estar canso, porén manifesotu confiar plenamente na xustiza". Tamén compareceron en sede xudicial os responsábeis de Vendex, A.C. e J.M.T que xa sairon en liberdade –o segundo tivo que satisfacer unha fianza de 4.000€--. Ambos os dous resultaron imputados. A xuíza enviou a prisión a G.R.R.A., administrador do grupo Vendex e responsábel do servizo de ORA en Madrid. Impútalle cargos de falsidade documental, prevaricación e tráfico de influencias. Pasadas ás seis da tarde do domingo comparecía perante Pilar de Lara o expresidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e exconcelleiro do PSOE en Lugo, Francisco Fernández Liñares. Segundo apuntan diversas informacións Fernández Liñares sería xunto a Francisco Rodríguez os principais encausados. A ambos os dous atribúeselles o papel de "mediadores" na trama de corrupción. Francisco Rodríguez négase a demitir e proclama a súa inocencia Pouco antes das 21h do domingo o aínda alcalde comparecía publicamente en conferencia de prensa desde o concello. Francisco Rodríguez proclamou ser inocente de todos os cargos polos que está imputado e cargou contra o proceso xudicial na súa contra, que cualificou de "inxusto e desproprocionado". Rodríguez asegurou que fará públicas as súas contas e propiedades. Despois de agradecer os apoios recibidos o rexedor anunciou que non demitirá e continuará no cargo. O BNG abandonará o goberno de Ourense se o alcalde non demitir O Consello Local do BNG de Ourense, reunido este domingo con urxencia, decidiu solicitar a demisión de Francisco Rodríguez como alcalde. @s nacionalistas xa comunicaran previamente ao grupo municipal socialista que no caso de resultar imputado, como finalmente foi, Rodríguez debería abandonar o cargo. Saída que demandan para non danar a institución e para non interferir no exercicio do dereito de defensa do socialista. No Bloque confían en que a renuncia se produza. Mais advirten que de non materializarse "actuarían en consecuencia", abandonando o goberno, xa que lles resultaría "por principios" incompatíbel serguir a facer parte del estando dirixido por unha persoa "cunha imputación grave". Despois desa advertencia, a negativa de Rodríguez a deixar o cargo podería abrir unha crise de goberno, o que podería deixar o alcalde en minoría no pleno. Preguntado por este extremo o alcalde non se manifestou preocupado e mesmo fixo mención a que Abel Caballero tamén goberna en minoría en Vigo, despois de que o BNG decidise non repetir a coalición da lexislatura anterior. O PSdeG pediralle a Francisco Rodríguez que abandone a alcaldía No Partido Socialista estarían agardando tamén que Rodríguez anuncie a súa renuncia. Se non é por propia vontade sería o propio partido quen llo exixa o que podería facer recapacitar ao primeiro edil. O anuncio de onte à noite sentou mal nun PSdeG que quere evitar sufrir máis desgaste polo caso "Pokemon" en plena precampaña do 21-O, despois de que o propio Pachi Vázquez recoñecese que están "sufrindo con maiúsculas" a detención do rexedor ourensán. Pola súa banda, o Partido Popular non emitiu até o de agora ningunha reacción despois de se confirmar a imputación do alcalde de Boqueixón, o popular Adolfo Gacio. |
QUEPASA_166 | As táboas en www.futboldacosta.com | Novo carrusel costeiro tremendamente intenso, partido en dous, pois a mañá dominical tamén foi máis que interesante. Houbo de todo, con choques directos na parte alta con resultados dispares, cambios de líder. Precisamente de mañá xogou o Fisterra o partido, ata agora, máis importante da tempada. Foi en Cantalarrana, ante o líder, un Viveiro que se amosou moi forte e non cedeu ante o cadro fisterrán. En todo caso, os de Canosa manteñen a 2ª praza e seguen aspirando a todo.Polo resto, o protagonista desta Preferente é o Xallas, sumando unha nova vitoria e xa o seu cuarto partido sen perder e sae xa dos postos de descenso directo. A dirección contraria leva un Sofán que suma a súa 6ª xornada sen gañar. A Primeira Primeira derrota do líder, o Soneira, ante un dos seus perseguidores, o Praíña. Así e todo os soneiráns manteñen 4 puntos sobre o propio Praíña e O Pino, dous dos grandes favoritos.Había derbi na 1ª, e o Baio venceu, sufridamente ao Volantes. Tamén venceu o Dumbría e ambos están en zona noble, preto do vagón de cabeza. Outra vitoria importante foi a do Mazaricos ante un rival directo como o Tordoia. Cambio de líder na Liga da Costa Xornada importante na 2ª. O Ponteceso caía pola mañá ante o Muxía, que parece que colle o ritmo tras sumar a súa terceira vitoria consecutiva. Aproveitou o tropezo o Corme, que venceu (a 6ª seguida) ao Baíñas e se coloca líder en solitario, con dous sobre os veciños pontecesáns, e 3 sobre unha Esteirana que sumaba, ante o Castriz, a 5ª vitoria seguida. O San Lorenzo mantense preto, tras sufrir pero saír ben parado un partido de tolos en Malpica. OsMuros e Coristanco non se queren descolgar da zona nobre.Por abaixo, seguen as urxencias para Zas, Buño, e tamén Cabana, que sufriu unha tremenda goleada no San Paio de Refoxos. O Cerqueda foi o único dos de abaixo que sumou unha vitoria (necesitadísima pois levana 5 derrotas consecutivas) ante un Lira que parece que botou de menos ao seu míster, que non puido acodir, por estar enfermo. Unha clara 3ª Camariñas e Outes perfílanse, a unha xornada do ecuador da Liga, como grandes candidatos ao ascenso directo. Sen xogar o Camariñas suma xa 12 puntos máis que o 3º, despois de que o Outes, que recurtou distancias tras vencer ao Camelle e se coloca a 2 do cadro camariñán, pero cun partido máis, saca 10 puntos ao Montelouro, agora terceiro. O Laxe volve á loita pola promoción, pero Amexeinda e Porteño (que estreou adestrador, o propio presi Manu, trala dimisión de Varela durante a semana) non acaban de engacharse. FutFem As nosas tiveron sorte dispar. Boas vitorias para Bergan e As MIúdas e derrota do Cee ante o poderoso líder, o Xuv. Aguiño. A Base Xornada dispar para os equipos de LIga Galega do Dumbría, con derrota duns Xuvenís que se manteñen en zona morna, e vitoria importante, a segunda do curso, dos Cadetes que aínda soñan con saír do descenso. Nos Xuvenís da Costa, a cousa está apretadísima. O empate do Outes en Esteiro permite ao Soneira, que venceu ao Cabana, alzarse ao liderato. O Sofán xa está moi preto, e o Zas e o Xallas únense á pelexa, unha vez que parece que ninguén escapa. En Cadetes había un partido importantísimo, no que o Xallas confirmou o seu liderato ao vencer ao Fisterra, que queda agora, empatado co Sofán, a 4 puntos. En infantís o Dumbría segue domincando, e tivo que superar unha boa pedra de toque, un Outes que estaba na segunda praza. Os Miúdos, Cee, Fisterra e Xallas loitarán, xunto co cadro da Serra, pola segunda praza. Veteranos: Derrota do líder ante o Dumbría A xornada dos Veteranos traía un dos partidos máis importantes deste primeiro terzo de competición. O líder, Zas, chegaba imbatido ao Conco, pero o cadro dumbriés conseguía arrincarlle a primeira derrota, apretando o alto da táboa ao máximo, con 4 equipos en apenas 3 puntos. Perdeu aí ocasión o San Lorenzo de achegarse máis pero non pasou do empate ante o Soneira. AS TÁBOAS EN WWW.FUTBOLDACOSTA.COM |
NOS_46431 | No #VenhanMais5 esta quinta feira contamos coa voz de María Cadaval, profesora de Economía da USC e analista en varios meios como a TVG e a RG | -Como avalías o estado actual da política galega? -A política galega está caracterizada por unha bipolaridade clara: a dereita e a esquerda. Pero con realidades ben diferentes. A dereita está unida polo poder, o PP funciona coma partido cunha maquinaria perfectamente engraxada. Na esquerda a análise non é única, está composta por tres forzas ben diferentes. O primeiro a destacar é que dúas delas –PSdG e En Marea- teñen o seu núcleo de decisión posto en Madrid, é dicir, o partido xógase na capital do Estado español, do que se deduce que, moitas veces, os intereses centrais dos partidos que "operan" en Galicia non o fan en clave galega, senón española. A situación de interinidade do PSdG pode ser a causa de que non se escoite a voz do partido socialista, que se fixo invisible. O partido instrumental das Mareas, que foi creado coma un banco de probas para ser a alternativa de esquerda ao PP, parece un experimento de pólvora mollada. Villares non soubo ou non lle deixaron liderar o proxecto. O "sorpasso" que esperaban algúns non foi máis que un "sorpassiño" e a evolución non semella que responda ás expectativas, cuxo futuro está á espera do que vaia a facer Pablo Iglesias, verémolo nas municipais. O BNG, xoga a outra cousa, como partido nacionalista, nos últimos tempos fixo un camino de volta á orixe, e, coido, voltou ao sitio de onde nunca debera ter saído, ao seu espazo natural, acompañado dunha importante renovación xeneracional. -Que evolución agardas da política galega a cinco anos vista? -Ou moito ten que cambiar a realidade ou non agardo grandes mudanzas desta situación que acabo de describir. O PP é probable que afronte o proceso de relevo de Feijoo, que non se prevé convulso. No PSdG empezarán a poñer rumbo ao barco unha vez que se dilucide quen se vai a facer co leme do PSOE. Máis dúbidas teño sobre o futuro de En Marea tal e como o coñecemos hoxe. Se as tensións internas non se solucionan, probablemente o instrumento acabe sendo outra cousa diferente á actual confluencia. O Bloque Nacionalista Galego seguirá este camino cara á orixe e á esencia, consolidando o seu peso e tratando de medrar, en parte, grazas ao descontento daqueles que un día saíron coa esperanza de que o "novo partido" en forma de confluencia respondese a unas expectativas e que non cumpriu. Sermos conta cun elevado nivel de información política de calidade que, sin embargo, non se ve, nin de lonxe, acompañado do mesmo nivel de información económica -Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar? Sermos tense convertido nun medio alternativo en Galicia que ha de contribuir á pluralidade do xornalismo neste país, sen ter que renunciar ao seu apego polo nacionalismo ao que representa. En coherencia con isto, coido que debería abrir o seu abano e espazos de opinión a máis autores, aínda que non compartan sempre a liña editorial do medio. Sermos conta cun elevado nivel de información política de calidade que, sin embargo, non se ve, nin de lonxe, acompañado do mesmo nivel de información económica, no que cómpre profundizar. Sería bo que proporcionase información relacionada cos aspectos macro e microeconómicos da economía de Galicia e de xeito regular. Por último, a firme aposta de Sermos pola internet seguramente pode ir un paso máis adiante e innovar, engancharse ás últimas técnicas de difusión da comunicación, de xeito que o vector resultante beneficie tamén ao semanario impreso. |
PRAZA_1341 | A plataforma coruñesa aproba unha estrutura de goberno con catro áreas transversais e cinco sectoriais. Os dez edís terán dedicación exclusiva e todos, subliñan, cumprirán o compromiso de non cobrar máis de 40.000 euros brutos anuais. | Unha semana. É o que resta para que os resultados electorais do 24M se traduzan en novas corporacións municipais e, no caso da Coruña, para que a Marea Atlántica tome posesión do goberno da cidade. Na recta final deste período a plataforma que chegará a María Pita encabezada polo novo alcalde, Xulio Ferreiro, vén de definir a organización do seu primeiro goberno municipal, unha estrutura na que participan as 10 persoas electas como edís e que muda a distribución de competencias que viña funcionando no Concello. O alcalde asumirá a área de Transparencia e a oficina de planificación económica Segundo o aprobado na Rede da plataforma, celebrada no serán deste venres, Ferreiro dirixirá un goberno distribuído en catro áreas "transversais" e cinco "sectoriais". Unha desas grandes áreas transversais, a de Transparencia, será asumida polo propio alcalde, que tamén asumirá a "oficina de planificación económica". A de Igualdade e Diversidade estará baixo a dirección da socióloga Rocío Fraga e Medio Ambiente e Mobilidade Sostible terá á fronte dúas persoas que xestionarán cadansúas "sub-áreas": Medio Ambiente, dirixida pola técnica medioambiental María García, e Mobilidade Sostible, cuxo titular será Daniel Díaz Grandío, experto en topografía e territorio. A cuarta área transversal será a de Participación e Innovación Democrática. A esta concellaría, indica a Marea, encomendaráselle "garantir o compromiso fundamental coa apertura do Concello á cidadanía" e a creación de "crear fórmulas e órganos de participación". Estará dirixida por Claudia Delso, mediadora cultural, mestra de psicomotricidade e "experta en autoxestión e prácticas colaborativas". O Goberno da Coruña estará asentado en catro grandes áreas: Transparencia, Igualdade e Diversidade, Medio Ambiente e Mobilidade e Participación e Innovación Democrática Xunto ás catro grandes áreas funcionarán os devanditos cinco departamentos sectoriais: Rexeneración Urbana e Dereito a Vivenda, dirixida polo arquitecto Xiao Varela; Xustiza Social e Coidados, que englobará o ámbito dos Servizos Sociais baixo o mando da avogada Silvia Cameán ou Emprego e Economía Social, que terá á fronte a Alberto Lema. A estrutura complétase coa concellaría de Cultura, Deporte e Coñececemento, "un dos eixos do donamismo social" que estará a cargo do filólogo, escritor e programador do CGAI José Manuel Sande, e coa área de Facenda e Administración, cuxa titular, Eugenia Vieito, é licenciada en Dereito e traballadora da Universidade. A plataforma cidadá coida que este deseño permite pór en marcha un goberno "forte, común, preparado, innovador e con sentidiño" que fará realidade o principio de "mandar obedecendo". "Trátase dun equipo solvente e serio, que en grande medida supón a entrada nas institucións dunha xeración taponada, pero con memoria, que achegará un aire novo á cidade", aseguran. Os dez edís terán dedicación exclusiva ao Concello e "todos e todas cumprirán o compromiso de non cobrar máis de 40.000 euros brutos" ao ano, aseguran. |
PRAZA_16518 | O Goberno galego convoca oposicións para 14 postos de enxeñaría e enxeñaría técnica con ningún ou mínimos requisitos de coñecemento na materia malia que carece de funcionariado específico, o que resta credibilidade ás súas posturas públicas ou ante Fomento | A Xunta, xa fose gobernada por executivos do PP ou da esquerda, leva anos opinando sobre cuestións ferroviarias, tanto apoiando como criticando actuacións do Ministerio de Fomento, que é quen desenvolve en Galicia esas competencias. Porén, faino só con posturas políticas ou con informes técnicos alleos, subcontratados a empresas externas, porque vén carecendo de xeito endémico de ningún persoal experto nesas materias. Malia esa eiva, que resta peso e credibilidade ás súas posturas tanto ante Fomento como ante á opinión pública (en xaneiro Adif emitiu unha inusual nota de prensa de rectificación pública da conselleira de Infraestruturas), o Goberno galego vén de convocar oposicións para cubrir 14 postos de enxeñaría con ningún ou mínimos requisitos de coñecementos en materia ferroviaria. O Goberno galego convoca oposicións para 14 postos de enxeñaría e enxeñaría técnica con ningún ou mínimos requisitos de coñecemento na materia malia que carece de funcionariado específico Este mércores o Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria de catro prazas de promoción interna e cinco de acceso libre para a especialidade de enxeñaría de camiños, canais e portos, e doutras dúas de promoción interna e tres de acceso libre para a de enxeñaría técnica de obras públicas. Para as primeiras prazas, dos 47 temas totais dos que serán examinados os aspirantes, só tres teñen relación co sector ferroviario e de xeito xenérico (sobre a lei do sector ferroviario de 2015, sobre as características técnicas dos ferrocarrís e sobre sistemas técnicos de explotación). Para as de enxeñaría técnica, dos 39 temas totais ningún ten relación co sector ferroviario. A Xunta limítase a esixir aos aspirantes "estar en posesión ou en condición de obter" os títulos respectivos de enxeñeiro ou enxeñeiro técnico, sen ningunha especialización concreta. Isto é, se tras as oposicións algunha das persoas que obteña praza é experta en materia ferroviaria, non será porque así o previse a Xunta, que tampouco o prevé na súa actual relación de postos de traballo. A carencia lastra a posibilidade da Xunta de fiscalizar as actuacións en materia ferroviaria que se realizan en Galicia, segundo admiten varias das persoas que desde comezo deste século ocuparon a Dirección Xeral de Transporte ou Mobilidade Esta carencia non é nova e vén lastrando a posibilidade do Goberno galego de fiscalizar tecnicamente as actuacións en materia ferroviaria que se realizan en Galicia, segundo admiten varias das persoas que desde comezo deste século ocuparon a Dirección Xeral de Transporte ou Mobilidade do Goberno galego, o departamento que debería asumir ese traballo dentro da Consellería de Infraestruturas. Segundo recoñecen fontes do máis alto nivel desa área do Goberno galego, o persoal propio do que dispón na actualidade non é suficiente nin para asumir as competencias sobre o transporte por estrada en plena reestruturación do mesmo. Salvo algún intento puntual e sen continuidade de formar na materia durante algún tempo a algún funcionario do departamento sen dedicación específica previa, as carencias en cuestións ferroviarias veñen levando á Xunta a recorrer a numerosas asistencias técnicas externas, estudos ou informes que, no caso de versar sobre ferrocarrís, cando as consultoras os entregan á Xunta non poden ser avaliados de xeito independente por ningún funcionario con coñecemento na materia. Esta situación fixo, entre outras cousas, que o Goberno galego acabase impoñendo dous funcionarios propios sen experiencia en materia ferroviaria como peritos da instrución xudicial do accidente de Angrois. A especialización persoal de quen foi director xeral entre 2009 e 2013, Miguel Rodríguez Bugarín, levou á Xunta a presentar como informes técnicos os documentos en materia ferroviaria que elaboraba o propio cargo político A maior capacidade de supervisión directa que nos últimos anos tivo o Goberno galego sobre as actuacións en materia ferroviaria en Galicia produciuse non por contar con funcionariado experto na materia senón pola propia especialización técnica de quen foi director xeral de Mobilidade entre 2009 e finais de 2013, Miguel Rodríguez Bugarín, catedrático na Escola de Camiños da Universidade da Coruña especializado en ferrocarrís. Era directamente ese cargo político quen elaboraba os informes que a Xunta presentaba como técnicos sobre a cuestión, no tempo que lle deixaban libre as súas responsabilidades noutras áreas do departamento. No resto dos últimos gobernos galegos (a experiencia previa do actual director de Mobilidade é en materia hidráulica), a supervisión das actuacións en materia ferroviaria veu recaendo en persoal de confianza non funcionario con coñecementos máis centrados en cuestións económicas ou legais que de enxeñaría. |
PRAZA_11015 | O Consello das Mareas acordou iniciar conversas con outras forzas para formar "unha ampla alianza política galega, progresista e responsable" que "facilite un goberno de esquerdas" | En Marea anunciou na tarde deste sábado a súa intención de concorrer ás eleccións xerais do vindeiro 10 de novembro. O Consello das Mareas acordou iniciar conversas con outras forzas para formar "unha ampla alianza política galega, progresista e responsable" que "facilite un goberno de esquerdas".En Marea acordou iniciar conversas con outras forzas para formar "unha ampla alianza política galega, progresista e responsable" que "facilite un goberno de esquerdas"O obxectivo de En Marea é "constituir unha candidatura galega de forzas políticas e sociais, aberta á participación individual" que busca "garantir a representación directa da cidanía galega nas Cortes do Estado". Para iso fai un chamamento a outras forzas políticas. O consello tamén decidiu que esta plataforma "podería cooperar con forzas doutros espazos nacionais", tendo como punto de partida o "carácter progresista e as respectivas axendas políticas nacionais".A formación acordou participar nas vindeiras eleccións xerais pola "decepción provocada polas dúas forzas políticas responsables de non ter chegado a un acordo para gobernar, o PSOE e Podemos", segundo explicou o voceiro de En Marea, Luís Villares."Galicia desapareceu por completo da axenda política, pese as numerosas urxencias da cidadanía galega"En Marea subliña a "reacción cidadá de enfado coas forzas políticas que conduciron á cidadanía a unhas novas eleccións" e afirma que "hai moitas persoas "replantexando o seu voto e queremos ser a resposta a ese desencanto para evitar o abstencionismo na esquerda e contribuír a fomentar a participación electoral da xeito máis ilusionante posible". A formación tamén denuncia que "Galicia desapareceu por completo da axenda política, pese as numerosas urxencias da cidadanía galega", sinalando Villares que "a presenza protagonista de Galicia na política estatal é un desexo compartido por outras formacións políticas e sociais galegas que comparten con En Marea a defensa dunha axenda política galega para o espazo estatal, sen sometemento a outros intereses que non sexan os propios do benestar e o progreso das galegas e galegos". |
NOS_54315 | Foi un auténtico campo da morte. O antigo colexio de elite levantado polos xesuítas na desembocadura do Miño na segunda metade do século XIX rematará convertido a partir de 1937 nun campo de concentración onde serán fusilados máis de 171 presos políticos. A memoria do centro de reclusión de Camposancos segue á espera de reconciliarse co presente. Eis un extracto da peza, publicada no número 345 do semanario en papel Sermos Galiza. | A mediados de novembro de 1937 entra en funcionamento o campo de concentración de Camposancos (A Guarda). As instalacións empregadas para recluír os presos políticos correspondíanse cun antigo centro educativo de elite fundado polos xesuítas en 1875, construído na súa estrutura fundamental entre os anos 1877 e 1878 e rematado a finais de 1882. A edificación, situada na beira da desembocadura do río Miño, estaba conformada por uns suntuosos inmóbeis e unha parcela sen edificar de setenta e un mil metros cadrados, onde chegaron a impartirse durante varios cursos académicos estudos superiores, sendo considerada a día de hoxe como un antecedente das universidades de Deusto e Comillas. Unha vez que os xesuítas españois se trasladan a Vigo á volta de 1916, o centro pasa a ser rexido polos xesuítas portugueses, que viñan de ser expulsados do país a consecuencia da revolución de 1910, atopándose abandonadas as instalacións en 1936. O campo de concentración de Camposancos, que permanecerá aberto entre 1937 e 1941, chegará a acoller perto de seis mil presos políticos. Se nos momentos que seguiron o alzamento fascista de xullo de 1936 as instalacións dos xesuítas xa foron utilizadas como centro de detención para a veciñanza do Baixo Miño, non será até os meses finais de 1937 cando apareza confirmado como campo de concentración. [Podes ler a peza íntegra no número 345 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_12154 | Esta modalidade das probas da COVID-19 chega aos hospitais da Barbanza, Burela, Monforte e Valdeorras, segundo informa o Sergas. | Os hospitais comarcais da rede do Servizo Galego de Saúde (Sergas) pasan a formar parte dos centros co sistema para realizar as probas do coronavirus aos pacientes desde os seus propios vehículos sen que teñan que baixarse deles. En concreto, o Sergas manifesta que se comezan a realizar as probas con esta modalidade, coa que se aforra en equipos de protección individual (EPI), nos hospitais da Barbanza, Burela, Monforte e Valdeorras. Na actualidade xa funciona tamén nos hospitais de Vigo, Ourense, Lugo, Coruña, Pontevedra, Santiago e Ferrol. En total, en todos os puntos de mostraxe dende o inicio desta medida a pasada semana realizáronse 955 probas a pacientes dende os seus vehículos. O hospital da Barbanza xa ten operativo esta segunda feira un punto fixo de toma de mostras para recoller dende os vehículos, nos Hospitais da Mariña e Monforte comezará proximamente, e o Hospital do Barco de Valdeorras iniciará a recollida de mostras dende o coche a partir de mañá. O Sergas planifica a ampliación deste servizo en próximos días aos hospitais comarcais de Verín e Salnés, en función da demanda. Este sistema só se lle realizará ás persoas que teñan prescripción facultativa e cita previa. O facultativo ten que prescribir a realización deste test no marco dos criterios estabelecidos nos protocolos e quedará rexistrada na historia clínica electrónica do paciente. Con esta medida trátase de complementar e axilizar o sistema de recollidas de mostras a domicilio, que ven incrementando a súa demanda nos últimos días. |
NOS_10978 | O informe de Icomos sobre a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade discrepa en case todas as consideracións achegadas na candidatura presentada pola Xunta. Os eólicos ou a falla dun plan de xestión concreto son algunhas das eivas que destacan dentro do proxecto. | O pasado 3 de xuño, a Xunta da Galiza, de acordo co Goberno do Estado español, anunciaba que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) se adiaba de modo "estratéxico" para fortalecer "aínda máis" a candidatura. Unha vez feito público o informe elaborado polo persoal técnico do Comité internacional dos monumentos e os sitios (Icomos), que visitou o lugar entre o 4 e o 11 de outubro de 2020, coñécese a recomendación final da entidade, "non debería inscribirse na listaxe de Patrimonio Mundial", conclúen desde a Unesco. Aínda así tanto Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, como o embaixador de España na Unesco, Juan Andrés Perelló, basean as esixencias para a declaración de Patrimonio Mundial nun exceso de candidaturas, xa que as correspondentes a 2020 tamén se deciden agora, e mais na maior presión da Unesco sobre aqueles estados cun maior número de bens cualificados como Patrimonio da Humanidade, e así Rodríguez lembraba que España ocupa o terceiro lugar, por detrás de Italia e mais da China. As razóns achegadas polas administracións baten de fronte co calendario da candidatura, que en novembro recibiu as derradeiras correccións da Unesco e que agora, cando se decide adiar o procedemento final, indica un período de "corrección de erros menores". A ausencia dunha boa política ambiental está na base do informe negativo de Icomos O 18 de agosto de 2019 Nós Diario facíase eco da denuncia da Plataforma Stop Eólicos sobre a concesión por parte da Xunta de dous novos parques, en Paradela (na imaxe) e na Serra das Penas, que "prexudican a candidatura da Ribeira Sacra a formar parte do Patrimonio Mundial da Unesco", dicían. O informe de Icomos feito público agora ratifica esta e outras denuncias ao falar do "impacto visual" destes muíños, dos encoros ou das canteiras a ceo aberto, así como ao referirse aos incendios forestais que afectan a zona e a repoboación con árbores non autóctonas que "obstrúen" a concepción unitaria do territorio. "Malia que o dossier describe o lugar como un continuo", di o informe, "Icomos non ve como as infraestruturas modernas contribúen á proposta". Explotación do medio O informe da Unesco é contundente e xa no segundo apartado da análise, cando se refire aos "Factores que afectan o territorio" marca o desenvolvemento, o medio ambiente, a demografía e a presión turística, e destaca que as canteiras a ceo aberto presentes, e cualificadas na candidatura da Xunta e do Estado español como debilidades do proxecto, "non deberían estar permitidas dentro das lindes" dunha área candidata a ser nomeada Patrimonio Mundial. Ademais disto, Icomos destaca o "impacto visual das turbinas eólicas presentes na zona", que xunto coa reforestación de terreos incendiados con grandes masas forestais foráneas crean "unha obstrución visual para apreciar a ligazón entre os mosteiros e os ríos". "Crearon o núcleo duro da candidatura arredor dunha secuencia de encoros polo Miño e polo Sil", lembra a secretaria da asociación de patrimonio O Sorriso de Daniel, Carme Varela, o falar da incoación do expediente Ben de Interese Cultural (BIC) co que se iniciou a candidatura en 2017. Mosteiros non singulares O informe demostra que o proxecto presentado para conseguir o nomeamento de Patrimonio Mundial non consegue "demostrar" ningún dos valores culturais dos que fala. A análise comparativa que achega sobre o testemuño monástico, a sacralización da zona e a súa excepcionalidade cultural defendidas no proxecto da Xunta nomean unha longa lista de lugares que destacan nesas mesmas características "comúns en toda Europa". Icomos recalca que moitos mosteiros non teñen uso relixioso e con intervención na comunidade senón turístico, como o parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, no concello de Nogueira de Ramuín. "Pois ben, no Anexo II da resolución de incoación as referencias ao estado de conservación dos bens son escasísimas e, no máis dos casos, nulas", explicaban en 2018 as alegacións achegadas en prazo polo Sorriso de Daniel ao expediente BIC e desestimadas pola Xunta por "falta de tempo". Daquela a asociación destacaba que non había alusión ao estado de conservación dos bens, e tamén enumeraba os erros cometidos, por exemplo, co mosteiro de San Paio de Abeleda, en Castro Caldelas. "Onde di que a igrexa de San Paio de Abeleda ten planta de cruz latina debe dicir planta basilical. Onde di que a capela é de planta semicircular debe dicir de planta cuadrangular. Onde di que tivo cuberta de madeira debe dicir que ten cuberta abovedada de pedra", son só algunhas das correccións e non tidas en conta. Falla a xestión do turismo A xestión das visitas é outro dos temas no que Icomos atopa erros, destacando que a pesar de implicar a Axencia de Turismo da Galiza e de crearse, en 2005, o Consorcio Turístico da Ribeira Sacra, a estratexia de promoción está centrada na protección e nos valores do lugar, mais "os efectos do turismo mídense e xestiónanse segundo a capacidade de cada lugar", e destaca que esta capacidade non está definida na proposta presentada. Informe do Icomos sobre a candidatura da Ribeira Sacra |
NOS_1473 | Un operario foi evacuado esta segunda feira após caer nas obras da infraestrutura que se fan en Vilar de Barrio. | Un operario que sufriu unha caída cando traballaba nas obras do AVE na estación de Albergueiría (Vilar de Barrio) tivo que ser evacuado pola equipa de Urxencias Sanitarias de Galiza e trasladado ao Hospital de Verín. Foi un compañeiro quen alertou do suceso a través do 112. Segundo indicou, o home sangraba e perdía a consciencia. Os sinistros e accidentes laborais nas obras do AVE en Galiza hai tempo que traspasaron a liña vermella, denunciaron desde os sindicatos. Así, en febreiro deste ano o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Verín decidía incoar dilixencias previas para a investigación dos accidentes de traballo, algúns deles mortais, ocorridos nas obras do AVE na provincia de Ourense. Unha decisión adoptada en base á denuncia presentada pola CIG de Verín e A Limia. Desde a central consideraban que a "concentración de accidentes" laborais rexistrados especialmente no tramo que comprende A Gudiña e Vilar de Barrio, é "de tal magnitude que revela, non só un deficiente funcionamento dos servizos públicos, senón un desleixo absoluto" tanto no cumprimento das normas de seguridade laboral por parte das empresas adxudicatarias como por parte das administracións públicas. A obra pública máis custosa que se está a desenvolver na Galiza, que devora unha inxente cantidade de diñeiro, que mobiliza un importante número de empresas e firmas (grandes, medianas e pequenas) e que implica niveis extremos de precisión e emprego de moderna e alta tecnoloxía... Pode permitirse cifras como (a finais de 2017) sete traballadores mortos, sinistros graves, casos de xornadas maratonianas, condicións laborais e de seguridade precarias? |
PRAZA_13725 | Con China e Vietnam, Cuba mantén lazos político-ideolóxicos de certa solidez a pesares das diferenzas que separan os seus modelos. O futuro de Cuba segue pendendo da "actualización" do modelo, unha reforma que polo momento condúcese a través dos Liñamentos da Política Económica e Social aprobados en abril último, unha exploración que non acaba de definir cal será o modelo concreto que vai alentar. | O presidente cubano Raúl Castro visitou Beijing recentemente. Tamén Hanoi. Esta súa primeira viaxe por terras asiáticas desde que en 2006 substituíra a Fidel espertou certo interese dada a coñecida admiración do primeiro secretario do PCC polos resultados económicos das reformas introducidas nos dous países. Meses antes desta visita, o vicepresidente do Consello de Ministros, Marino Murillo, considerado o arquitecto da actual reforma impulsada pola Habana, realizou unha xira previa co propósito de avanzar na axenda común e asegurar o éxito da iniciativa. Raúl Castro foi recibido ao máximo nivel. As incertezas en Venezuela, pola saúde de Chávez e o seu impacto o proceso político e electoral que vive Caracas, engaden motivos de preocupación que Raúl tentou equilibrar con esta xira asiática No plano das relacións económicas exteriores, o primeiro problema para Cuba é asegurar un marco de cooperación estable. China é o seu segundo socio comercial, despois de Venezuela, cun volume de negocios que ascende a 1.800 millóns de dólares anuais. Os cambios políticos vividos pola rexión sudamericana nos últimos anos ofreceron un respiro moi importante á illa, pero demostrouse insuficiente ao non operárense cambios estruturais internos con incidencia efectiva na dinamización do sistema económico. As incertezas en Venezuela, pola saúde de Chávez e o seu impacto o proceso político e electoral que vive Caracas, engaden motivos de preocupación que Raúl tentou equilibrar con esta xira asiática. Con China e Vietnam, Cuba mantén lazos político-ideolóxicos de certa solidez a pesares das diferenzas que separan os seus modelos. É evidente igualmente que non pode confiar en establecer unha relación semellante con estes países á que mantiña cos socios económicos do extinto campo socialista europeo. Por iso, o futuro de Cuba segue pendendo da "actualización" do modelo, unha reforma que polo momento condúcese a través dos Liñamentos da Política Económica e Social aprobados en abril último, unha exploración que non acaba de definir cal será o modelo concreto que vai alentar, se ven os titubeos indican ás claras os temores a percorrer camiños que redunden nun cambio da orde económica existente. O futuro de Cuba segue pendendo da "actualización" do modelo, unha reforma que polo momento condúcese a través dos Liñamentos da Política Económica e Social aprobados en abril último Como pasou nos primeiros anos da reforma en China ou Vietnam, o reto agrario é determinante. É ben difícil de entender que Cuba sufra crises alimentarias con tantas terras cultivables en desuso. O Decreto Lei 258 (2008), autorizou a entrega de terras inactivas a traballadores privados e cooperativistas co obxectivo de incrementar a produción agrícola e pecuaria, substituír as importacións de alimentos -entre o 60%-70% do consumo--, e elevar as exportacións. Actualmente, os agricultores privados, con algo máis do 24% das terras cultivables, achegan o 57% dos alimentos. O fondo de terras ociosas no país elevouse a 1 millón 800 mil hectáreas; delas cedéronse 1 millón 450 mil hectáreas a 163 mil usufrutuarios, moitos deles, case o 30%, menores de 35 anos. Os resultados produtivos aínda non son significativos. Mentres, moitos reivindican revisar os mecanismos de almacenamento, transporte e distribución, creados por empresas e ministerios que xa demostraron a súa ineficiencia, acurtando a distancia entre o produtor e o consumidor e concedendo un maior papel ao mercado. China e Vietnam, sen grandes intereses xeopolíticos na zona, prestarán o seu respaldo a esa orientación, pero o tempo das axudas xenerosas rematou Como consecuencia dos cambios introducidos nos últimos anos, o desenvolvemento da economía privada permitiu a creación duns 160.000 pequenos negocios, unha dimensión realmente insignificante tendo en conta a dimensión do sector estatal. O traballo por conta propia estendeuse ata 181 actividades. O número de autónomos suma xa uns 400.000 traballadores... Son datos novos que ilustran como algo se move na illa. Non obstante, a Cuba, sen modelo propio definido nin modelo que imitar, non lle queda outra que afondar nunhas reformas que, como pouco, aseguren a curto prazo ese logro dunha maior eficiencia e calidade da produción, fomentando as complementariedades para evitar o colapso sistémico e impulsando medidas creativas que preserven o cerne do proceso histórico iniciado coa revolución. China e Vietnam, sen grandes intereses xeopolíticos na zona, prestarán o seu respaldo a esa orientación, pero o tempo das axudas xenerosas rematou. |
PRAZA_13123 | O evente qeu reúne os tradutores de software libre que traballan baixo o paraugas do Proxecto Trasno puxo o seu punto final onte na Coruña | Finalizou a Trasnada. O punto de encontro aos tradutores de software libre que traballan baixo o paraugas do Proxecto Trasno, unha comunidade aberta de voluntarios que localizan software libre e realizan despois a tradución para o galego. O evento, celebrado durante dúas fin de semana na Coruña e que rematou onte, constitúese como "unha sesión de traballo para lograr acordos e planificar o futuro, na procura de traducións de calidade". Nesta última sesión, celebrada no centro Ágora, o tema fundamental de debate foi a terminoloxía no ámbito da tradución. Ademais, as xornadas tamén serviron de escaparate para dar a coñecer o seu proxecto, a xente que o conforma, así como punto de aprendizaxe para todos os que queiran colaborar na localización. Proxecto Trasno é unha comunidade aberta de voluntarios que localizan software libre e o traducen ao galego A Asociación Cultural para a Galeguización de Software Libre, Proxecto Trasno, é unha comunidade aberta de voluntarios que localizan software libre e realizan despois a tradución para o galego. O proxecto, nado en 2000, conta coa axuda de voluntarios, que tamén inverteñen na elaboración de terminoloxía nas novas tecnoloxías. Os fins da asociación inclúen a promoción das iniciativas de localización, localizar software libre ao galego, dar recursos e ferramentas aos voluntarios que localizan o galego, contribuír para a lingua galega mediante a inserción desta no ámbito das novas tecnoloxías e representar a comunidade do Proxecto Trasno. |
NOS_30019 | A plataforma Queremos Galego volve outro ano máis reivindicar o idioma propio coincidindo coa data do 17 de maio, Día das Letras Galegas. As medidas do estado de alarma mudaron os actos mais non a mensaxe, que pasará da rúa ás vivendas a través dunha convocatoria aberta. Conversamos co seu portavoz, Marcos Maceira. | Un 17 de maio diferente, non é? A celebración será diferente mais o que non muda é que o galego leva confinado demasiado tempo. Non só nos últimos dez anos, en que se acelerou ese confinamento e en que aumentou de intensidade, senón case séculos. Agora deberían comezar a mudar isto. Estamos en 2020 e levamos máis de trinta anos de autonomía que non parece que servisen para mudar a situación do galego. Entre outras cousas porque os poderes públicos non optaron por unha vía que é necesaria mesmo para o desenvolvemento social, económico, cultural do noso país, que é a normalización lingüística, activar realmente ese proceso. Ese papel xogárono entidades sociais de diferente tipo, entre elas a Mesa pola Normalización Lingüística ou a plataforma Queremos Galego, coa mobilización social mais sen respaldo dos poderes públicos. É unha situación que non aconteceu nos outros territorios con lingua propia do Estado. Pensamos que é hora de desconfinar o galego e desconfinalo xa definitivamente. Organismos internacionais denunciaron esta situación. Que opina da reacción do Goberno galego? Debería avergoñar as institucións galegas, quen teñen a obriga legal e moral, que se recoñeza fóra do país. Isto debería comprometer quen goberne os vindeiros catro anos a Galiza. Nas últimas semanas, o presidente da Xunta prescindiu do galego para dirixirse á cidadanía. Que lle parece esta actitude? Se un presidente do Goberno galego non é capaz de utilizar a lingua propia do seu país para informar a cidadanía de algo de tanta relevancia como é a situación de epidemia que estamos vivindo, é unha persoa que non é capaz de apostar en nada polo país. Non é capaz de mostrar que é galego, que é o presidente de todas as galegas e galegos. Na lingua é onde se pode visibilizar o que é un e con que se identifica. É moi ilustrativo da política lingüística que se seguiu nos últimos dez anos. Non ten vontade de exercer a representación que ten encomendada, de ser presidente da Xunta. Con lingua podemos optar a Gobernos que nos protexan e que actúen para mellorar as nosas condicións de vida tamén. No manifesto deste ano Queremos Galego envía unha carta aberta a Carvalho Calero. Que significou a súa figura para a lingua galega? É unha persoa que traballou toda a súa vida, en todos os ámbitos onde estivo, para desconfinar a lingua galega. Para que Galiza existise como tal. Queremos Galego e outras entidades levamos moito tempo loitando para que se lle recoñeza a nivel público e institucional o que xa se lle recoñeceu mesmo en vida por parte de entidades sociais como A Mesa ou a AGAL e moitas outras por todo o país. É unha mostra do que se move na sociedade e como actúan os poderes públicos. Nós cremos que coas condicións deste ano era merecente de que continúe a súa homenaxe en 2021. É unha reivindicación moi clara que tamén conta co apoio de multitude de asociacións e mostra esa forza que mantén aínda o seu legado dentro da nosa sociedade. Lembran no manifesto que Carvalho Calero dicía que había que gañar para o uso do galego os sectores que empregaban o castelán. Como se pode facer? En primeiro lugar tendo a dispoñibilidade do galego en todo e para todo, algo que non temos hoxe. Por exemplo no comportamento dos poderes públicos galegos en relación a isto e os poderes estatais. Algo tan simple como que hoxe unha persoa non pode facer trámites obrigatorios en galego, desde pagar unha multa, determinados tributos ou darse de alta na Seguridade Social ou agora mesmo facer trámites co Servizo de Emprego Público Estatal (SEPE). Xa por non falar da situación do galego nos medios de comunicación ou no ensino onde o galego está prohibido nunha parte considerábel do horario escolar. Coa situación actual agravouse. Mesmo as materias que se teñen que impartir en galego non contan con materiais prácticos para fornecer ao alumnado nas diferentes canles de correo electrónico ou nas redes sociais en galego. Esa situación de confinamento no ámbito do ensino reduciu aínda máis a escasa presenza da lingua galega. Se o galego tivese presenza, sería moito máis fácil a recuperación de falantes. Aínda así cada vez hai máis persoas que se incorporan á lingua galega, nais e pais que lles falan galego ás súas fillas e fillos e que toman conciencia disto. Sen apoio publico, é un esforzo máis titánico. Agora mesmo a sociedade actúa soa en defensa da lingua galega. Defender o galego en xanelas en varandas Este 17 de maio a plataforma Queremos Galego, malia todas as limitacións froito do actual estado de alarma en toda a Galiza, volve convocar a sociedade na reivindicación da nosa lingua. Convida a pendurar a bandeira galega nas xanelas ou varandas e preparou unha serie de cartaces que difunde na súa web coa singularidade de que poden ser pintados por nenas e nenos. A acción reivindicativa estará presente tamén nas redes sociais ás 12 horas con mensaxes escritas, vídeos, fotografías ou audios cos cancelos #PrecisamosDoGalego, #QueremosGalego, #17demaio e #Eufalogalego. Ás 13 horas a plataforma convida tamén a saír á xanela para cantar "A fala", con letra de Manuel María e música de Uxía e Sérgio Tannus. Ese mesmo día terá lugar un acto de homenaxe en pequeno formato diante da escultura que Ricardo Carvalho Calero ten na cidade de Compostela. |
NOS_4098 | O único aspirante a presidir o goberno central, Pedro Sánchez, reuniuse por separado co líder do PP e de Ciudadanos, Pablo Casado e Albert Rivera. O popular trasladoulle que o seu partido nin o apoiará nin se absterá en segunda votación para facilitarlle a investidura. Rivera trasladou o seu rexeitamento e emprazouno a pactar con Podemos e as formacións nacionalistas. | O único aspirante polo de agora á presidencia do Estado é Pedro Sánchez, ademais de ser o encargado polo rei español para formar goberno. De cara á investidura Sánchez mantivo reunións cos máximos líderes de Ciudadanos e PP, quen lle explicitaron que con eles non conte para acceder ao goberno. Horas antes de xuntarse coas forzas da dereita mantivo a súa primeira reunión con Pablo Iglesias e xuntos acordaron procurar unha fórmula de goberno "integrador, plural e incluínte", termos que nos poden situar ante o primeiro goberno con ministras e ministros de máis dun partido por primeira vez no réxime do 78. Pablo Casado trasladou ao presidente do goberno do Estado en funcións que o Partido Popular non apoiará nin se absterá nunha segunda votación Pola súa banda, Pablo Casado trasladou ao presidente do goberno do Estado en funcións que o Partido Popular non apoiará e tampouco se absterá nunha segunda votación que facilite a investidura de Sánchez. Desta forma trasladouno o propio Casado nunha rolda de prensa no Congreso dos Deputados en que informou sobre a reunión que durante unha hora mantivo con Pedro Sánchez. Catalunya tamén estivo presente no encontro e Casado aproveitou para expor a Sánchez a súa vontade de explorar a aplicación de outras medidas máis alá do artigo 155 para forzar que na Catalunya se cumpra coa "orde constitucional". Ciudadanos non apoiará a Sánchez Albert Rivera tamén se reuniu con Pedro Sánchez no Congreso dos Deputados e reiteroulle que non terá o apoio do seu partido, ao tempo que lle anunciou que desde "a lealdade con España e os españois" apoiarán o goberno central no "grandes acordos de Estado". "Votaremos non á investidura e imos estar na oposición", afirmou Rivera "Votaremos non á investidura e imos estar na oposición", afirmou Rivera na rolda de prensa posterior á reunión que durou en torno aos 40 minutos. O líder do partido laranxa instou ademais o candidato do PSOE a alcanzar acordo de goberno co que Rivera considera "o seu socio natural", en referencia a Unidas Podemos "ou cos seus socios nacionalistas", aseverou. Contra os nacionalismos Rivera reivindicouse "firme" ante o que considera "posíbeis cesións ou privilexios" para os partidos independentistas e nacionalistas. Rivera anunciou na rolda de prensa que se enfrontará "firme" ao que el considera "posíbeis cesións ou privilexios" para os partidos independentistas e nacionalistas. Rivera tamén solicitou a Sánchez que o Partido Socialista Navarro permita gobernar a coalición Navarra Suma (formada por UPN, PP e Ciudadanos) fronte a un goberno que dependa do nacionalismo de Geroa Bai e Bildu. |
NOS_31497 | Ana Pontón nega que o BNG e o PP lle estean a facer unha 'pinza' ao PSOE, e que a verdadeira 'pinza' é a que "levan facendo moitos anos o Partido Popular e o Partido Socialista en contra dos intereses de Galiza". | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, negou este domingo, 24 de xaneiro, que a súa formación e o PP estean a facer unha 'pinza' conxunta ao PSOE e afeou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, non a ter chamado desde "o mes de novembro" malia ser a líder da oposición. Nunha entrevista á Cadena Ser, a dirixente nacionalista desvelou que desde as eleccións do 12 de xullo "só" recibiu "unha chamada" por parte do presidente onde lle comunicou o feche perimetral das sete cidades a comezos de novembro. Desde entón, asegurou Pontón, non houbo "ningunha vía de diálogo máis". Por isto mesmo, a portavoz nacional do Bloque rexeitou que haxa "acordos" co PP, desde onde se recoñeceu nas últimas semanas que era máis fácil chegar a consensos cos nacionalistas que cos socialistas. "Eu non sei que acordos, porque levamos nestes últimos tempos dicíndolle ao señor Feixoo que fagamos un acordo para reforzar a sanidade pública con 200 millóns de euros máis para a Atención Primaria e o que vota o PP é que non", criticou Pontón, que a modo de exemplo subliñou que na terza feira o Parlamento aprobará os orzamentos da Xunta para 2021 e "non se aceptou nin unha soa emenda" da oposición. Así, negou tamén que haxa unha 'pinza' conxunta contra o PSOE, senón que a verdadeira 'pinza' é a que "levan facendo moitos anos o Partido Popular e o Partido Socialista en contra dos intereses de Galiza". "Discriminación a Galiza" Para Pontón, o Goberno do Estado muda de cor política mais "non acaba coa discriminación" a Galiza, en tanto que populares como socialistas "se unen para criticar" o único deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. Precisamente, a portavoz nacional do Bloque lembrou que o debate arredor da rebaixa das portaxes da AP-9 "existe por primeira vez na historia grazas a que o BNG usou o seu deputado a favor dos intereses de Galiza". "Claro, se tivesemos un grupo parlamentario seguramente conseguiriamos moitísimas máis cousas", engadiu. Iso si, como aínda non se produciu ese abaratamento na Autoestrada do Atlántico, Pontón suxeriu ao PSOE de Pedro Sánchez que "os acordos son para cumprirse". "O acordo era que cando se aprobasen os Orzamentos íanse rebaixar as peaxes. Non é de recibo que non se faga desa maneira", censurou, á vez que instou a que, cando se aplique, se faga "de maneira retroactiva". "Algo está a fallar" No plano sanitario, a portavoz nacional do BNG cargou contra a falta de diálogo por parte do presidente da Xunta cando "algo está a fallar" na terceira vaga da pandemia: "No sistema sanitario estanse a cancelar de novo operacións e é un problema moi importante de saúde pública". De feito, Pontón asegurou que detrás desta crítica non hai unha intención de "desgastar" o Goberno da Xunta, senón unha "preocupación" pola saúde da cidadanía galega e pola evolución da pandemia. Ante iso, a xefa da oposición insistiu en que as medidas adoptadas até o momento "non serven" para esta terceira vaga e volveu suxerir un confinamento "de 15 días ampliábeis", aínda que "efectivamente non ten que ser tan estrito como na primeira vaga". "Non entendemos que máis ten que pasar para que Xunta e Goberno central se poñan man a man a tomar a única medida que sabemos que é eficaz e rápida para frear a pandemia", subliñou. Con todo, esta "actitude errática" do Goberno de Sánchez "non xustifica os erros e a improvisación" da Xunta de Feixoo, á que acusou de "botar balóns fóra" e "eludir as súas responsabilidades". Neste sentido, a portavoz nacional do BNG lamentou que o presidente galego "marchou toda a fin de semana sen tomar ningunha decisión" no plano sanitario. "Na pasada quinta feira comparecía e non anunciaba nada. Dicía que a semana que vén se tomarían medidas", engadiu. Ao fío disto, afeoulle que "non despregue todos os mecanismos do estado de alarma" nin solicite a Madrid ese confinamento que reclaman os nacionalistas. Plan de vacinación Sobre a campaña de vacinación contra a Covid-19 da Consellaría de Sanidade, Pontón ve "preocupante que a estas alturas no Parlamento non se coñeza cal é o plan" nin "cantas persoas se vai contratar". "Non é moi críbel que hai 15 días había 207 enfermeiras voluntarias para a vacinación e nunha semana pasan a ser 2.000", dixo, para despois apuntar que non se están a facer ben as cousas" cando esta semana se coñecía que 17 informáticos da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés recibiran a vacina por erro. Por todo iso, a Feixoo "pediríalle que abandone a propaganda e o autobombo e se poña á fronte da xestión da pandemia", concluíu. |
NOS_41533 | O sindicato nacionalista trasladou a reclamación na reunión que a representación social mantivo co Ministerio de Transición Ecolóxica e a dirección da empresa xunto a outros organismos e colectivos. | "Non podemos avanzar nunha transición e comezar un proceso de cambio de modelo produtivo co lastre de compañeiros e compañeiras despedidas". Deste xeito expresábase Alberto Amado, da CIG, á saída da reunión mantida esta cuarta feira, 2 de outubro, entre representantes do Ministerio de Transición Ecolóxica e Endesa e na que tamén participaron o director xeral de Industria, a Xunta, o Concello das Pontes e colectivos de transportistas afectados. Na reunión, segundo sinala Amado, trasladouse unha imaxe difusa do compromiso co emprego nas súas auxiliares, limitándose a ofertar garantías só ao cadro de persoal propio. Sorprendeu ao representante da CIG que Endesa recoñecese diante do Ministerio o "erro" de investir máis de 200 millóns de euros na central das Pontes no proceso de adaptación das instalacións. Alberto Amado criticou que neste encontro a filial de Enel non concretase a data de solicitude do feche, "polo que descoñecemos que prazos están a manexar". En relación ás alternativas na propia reunión, representantes de Endesa afirmaron que continuarán facendo probas con outros combustíbeis, como a proposta presentada por parte dun grupo de traballadores e traballadoras, malia teren poucas expectativas de éxito. |
NOS_16581 | Esta sexta feira clausura 7 sucursais. O ERE prevé o despedimento de 271 traballadores e traballadoras. CIG eleva a 487 os postos de traballo que o ERE do Santander "destruirá" na Galiza | O Banco Santander inicia esta sexta feira a vaga de feches de oficinas enmarcada no seu ERE e que suporá a clausura de 135 sucursais na Galiza. A entidade presidida por Ana Botín fecha agora 7 oficinas no noso país e un total de 86 en todo o Estado. Antes de fin de mes procederá a clausurar outras 176 sucursais no Estado. O pasado mes de maio o Banco Santander anunciaba a súa intención de fechar na Galiza 135 sucursais e despedir 271 traballadores e traballadoras (14% das atinxidas polo expediente de regulación de emprego a nivel estatal). O Santander impulsa un ERE que afecta 3.713 empregos no conxunto do Estado e pechará 1.150 oficinas. O banco tivo 3.752 millóns de euros de beneficios en 2018. Das 135 oficinas bancarias que se fecharán, a maioría estará na provincia da Coruña (64) e de Pontevedra (37), mentres que en Lugo afectará 19 e en Ourense, 15. Estes despedimentos e feche de sucursais na Galiza é chover sobre mollado. Entre 2008 e 2018 na Galiza desapareceron máis de mil sucursais bancarias o que se deu da man do proceso de centralización e concentración bancaria así como do impacto das novas tecnoloxías e a banca e dos trámites por internet. Nunha década desapareceu 40% da rede bancaria na Galiza, segundo os dados recentemente publicados polo Banco de España. Entre 2008 e 2016, o número de persoas en situación de exclusión financeira aumentou na Galiza en 49%, 15 puntos por riba da media española, que é de 34% |
NOS_42283 | Vigo reclama unha fábrica de baterías para vehículos eléctricos dez anos despois de que o grupo xaponés Mitsubishi intentara sen éxito estabelecerse na Plisan. | A factoría de Stellantis en Vigo conta na actualidade cunha planta de baterías que subministra ao resto de instalacións españolas do grupo para a fabricación dos seus modelos híbridos e eléctricos. Mais trátase dunha planta de ensamblaxe e a Galiza quere contar cunha de fabricación. Co impulso dos fondos Next Generation, Galiza aspira a financiar a implantación dunha fábrica de baterías. As opcións cada vez son menores, xa que o Goberno español comprometeu apoios para as de Catalunya e Estramadura. Esa factoría pola que agora compiten podería ter sido unha realidade hai xa máis de dez anos. En 2010, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, filtraba que o grupo xaponés Mitsubishi estaba a estudar a creación en Vigo dunha factoría de baterías eléctricas que, cun investimento aproximado de 500 millóns de euros, podería supor a creación de 2.500 postos de traballo nunha primeira fase e chegar até 4.000 nas posteriores. A planta proxectada na Galiza, con capacidade para producir 50.000 baterías de litio ao mes, estaría operativa en 2012 e dela sairían os compoñentes para, entre outros, os vehículos eléctricos do grupo xaponés e de PSA que compartían plataforma (Citroën C-Zero, Peugeot I-On e Mitsubishi I-Miev). Un plan alterado A filtración, que se produciu en maio de 2010, situaba Vigo como finalista nunha pugna cun emprazamento en Austria para acoller a factoría de baterías. En agosto dese mesmo ano, o entón presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, realizou unha viaxe ao Xapón, onde se entrevistou co presidente de honra de Mitsubishi, Mikio Sasaki. Todo parecía encamiñado para converter Galiza na sede da que sería a maior fábrica de baterías de toda Europa, mais os problemas legais co emprazamento elixido, a Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves (Plisán) foron demorando a decisión final. Xunto a estes atrasos, un feito inesperado introduciría máis incertezas no proceso. O 11 de marzo de 2011, os terremotos e o posterior tsunami que asolaron o Xapón fixeron que as prioridades do grupo automobilístico mudaran, unha decisión na que tamén afectou a escasa penetración dos modelos eléctricos no mercado. Após estes acontecementos non habería moitas máis declaracións oficiais. En xuño de 2011, o entón conselleiro de Economía, Javier Guerra, recoñecía que o tsunami "paralizara" a situación e que estaban á espera de novidades, se ben apuntaba que "tampouco hai novidades negativas nin descartes", e que a decisión de instalar a planta na área viguesa "está clara". Galiza non renuncia á planta Esta semana, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, afirmou que "Galiza non vai renunciar nunca a unha fábrica de baterías", mais apuntou que "para iso precísanse tres grandes actores principais: o Ceaga, un socio tecnolóxico que saiba facer baterías e a Xunta" que, insistiu, "vai seguir creando a contorna adecuada" e traballando por esa fábrica de baterías "ou calquera outro proxecto que entre dentro dos intereses do sector". |
NOS_10074 | A escuadra ferrolá mereceu mellor sorte | O Parrulo deixou escapar un partido que empezou moi ben, pero que acabou en pesadelo para o conxunto ferrolán, que caeu por 2-5 ante o Real Betis na oitava xornada da Primeira División dunha liga de fútbol sala da que ocupa a décimo oitava e última posición con tan só dous puntos logo de seis encontros disputados. Esta derrota resulta especialmente dolorosa para O Parrulo porque o choque non puido comezar mellor para os intereses dos galegos, pois Miguel aos dous minutos soltaba un zapatazo desde o borde da área que se colaba pola escuadra defendida por Sarmiento e subía o 1-0 ao marcador. Pero a cousa non quedaba aí, xa que os ferroláns mantiveron a intensidade da partida e pouco máis tarde, aos 10 minutos de xogo, e tras un balón ao traveseiro de Adri, Isma aproveitaba un espectacular pase co calcaño de William para facer o 2-0. Os xogadores do Parrulo estaban a realizar o mellor xogo de toda a tempada, e preto estiveron de facer o terceiro cun tiro do propio Isma desde a frontal da área que rebotaba no pau. Pouco despois, Adri tivo outra boa oportunidade, mais por desgraza en tan só un minuto chegábase ao empate, cun primeiro gol de Borja Blanco nun corner e outro de Ivi aproveitando un centro ao segundo pau para facer o 2-2, resultado co que se chegaría ao tempo de descanso. Na reanudación revertéronse os papeis, porque nunha das primeiras xogadas foron os béticos os que marcaron, cun gol de Eric ao segundo pau nunha xogada de saque de esquina. Este tanto esnaquizou psicoloxicamente un Parrulo que xa nunca se recuperaría, o que non quere dicir que non tivese algunhas oportunidades, especialmente nas botas de Iago Rodríguez e Ique. Finalmente, a escuadra andaluza deu un golpe enriba da mesa cun gol de Chaginha nunha rápida xogada polo lateral da área, subindo o 2-4 ao marcador. As cousas púñanse moi complicadas para os ferroláns, que intentaron reaccionar, mais non tiveron a sorte de cara, como demostra o balón enviado por Adri ao traveseiro por cuarta vez no partido, esta vez nun libre directo. Xa nos últimos intres do choque, e con Miguel como porteiro-xogador, Borja Blanco facíase cun balón en media pista, logrando anotar a portaría baleira o definitivo 2-5. |
NOS_43311 | O Goberno galego declarou a prealerta de seca en 12 sistemas de explotación da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa, segundo anunciou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez. | A Oficina Técnica da Seca mantivo na quinta feira a primeira reunión desde que a Xunta decretase a prealerta de seca en 12 dos 19 sistemas de abastecemento da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa. O ente, no que se integran Augas da Galiza, Protección Civil, Meteogaliza e a Consellería do Medio Rural, acordou levar a cabo un seguimento quincenal da situación hidrolóxica en Galicia-Costa, ao tempo que as esperanzas de mellora deposítanse nas chuvias dos vindeiros días. A Xunta agarda así que a situación destes doce sistemas de abastecemento volva a normalidade coas precipitacións previstas. Non en tanto, os servizos de meteoroloxía insisten en que os seus modelos de predición estiman que a Galiza encamíñase cara a unha primavera seca, que podería levar até o verán o período de seca. Neste sentido, a Oficina Técnica de Seca manterá a vixilancia posta no caudal de ríos e manantiais, na procura de comportamentos anómalos que poidan mostrar unha redución preocupante dos recursos hidrolóxicos da Galiza. Prealerta de seca en Galiza-Costa A Xunta decretou a comezos da semana a prealerta de seca nos sistemas de abastecemento do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona; Costa de Pontevedra, río Lérez e ría de Pontevedra; río Umia e ría de Arousa (marxe esquerda); e río Ulla e ría de Arousa (marxe dereita). A prealerta tamén estará vixente no abastecemento de río Tambre e ría de Muros; río Xallas, Costa da Coruña e ría de Corcubión; río Castro; río Grande, ría de Camariñas e Costa da Coruña até o río Anllóns; río Anllóns e Costa da Coruña até o límite con Arteixo; río Mero, Arteixo e ría da Coruña; e río Mandeo e ría de Betanzos. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, afirmou que o Goberno galego tomou esta decisión após detectar "dúas anomalías claras" no que respecta aos niveis de precipitación e os caudais circulantes actuais. O ministro español de Agricultura, Luis Planas, tamén se manifestou sobre esta situación de seca que afecta a toda a Península Ibérica. Planas sinalou que a Unión Europea tratará o tema nunha reunión que decorrerá en Bruselas a finais de febreiro, e na que se porán enriba da mesa "posíbeis medidas". |
PRAZA_2478 | Política Lingüística manexa agora un 60% menos de fondos que cando o PP retornou á Xunta e en 2016 o seu orzamento fica á marxe dos incrementos. | A "consolidación da senda de crecemento económico", filosofía coa que a Xunta resume os seus Orzamentos Xerais para 2016, os derradeiros da lexislatura, non pasa nin de lonxe pola lingua galega. O proxecto de contas públicas para o vindeiro ano, que estes días se debate no Parlamento, asenta os fondos dedicados ao fomento do galego no fondo do pozo dos recortes e déixaos fóra dos incrementos que si son aplicados a outras áreas do orzamento. Alén das declaracións de intencións a respecto da normalización lingüística, que nos últimos meses foron, dende a banda do PP, notablemente diferentes ás dos anos nas que teimaba na existencia dunha suposta "imposición", os compromisos económicos neste ámbito son agora máis dun 60% inferiores que cando Alberto Núñez Feijóo chegou á Xunta. Así, en 2016 o programa de fomento da lingua galega disporá de 6,76 millóns de euros, un incremento de apenas 16.000 euros a respecto do ano 2015 que deriva da leve suba no gasto de persoal -do 1%- que afecta ao conxunto da Administración. O programa de fomento da lingua galega retrocedeu un 60% dende o retorno do PP á Xunta Deste xeito, a Secretaría Xeral de Política Lingüística manexa agora 15 millóns de euros menos que no ano 2008, cando coa coalición de PSdeG e BNG o fomento da lingua galega tocou teito en canto a dotación orzamentaria, con algo máis de 23 millóns de euros. Daquela a Xunta afondou nunha tendencia á alza xa iniciada en tempos de Fraga, que no seu derradeiro orzamento lle dedicou á promoción do idioma algo máis de 19 millóns. Cando Feijóo, vicepresidente daquel Executivo, retornou a San Caetano como presidente, atopou 21,5 millóns nesta partida, que apenas dous anos despois xa eran menos da metade. Pero, onde se concentrou o recorte? Unha ollada polo miúdo aos orzamentos permite coñecer que, ao contrario do afirmado habitualmente para o conxunto das contas públicas, o máis recortado non foi o gasto improdutivo ou o gasto corrente. Se ben este tipo de partidas tamén experimentaron reducións -o gasto corrente caeu dende 2008 máis dun 40%-, as que máis caeron foron as transferencias a outras entidades e, sobre todo, os investimentos, que se reduciron máis dun 80% ata quedar en apenas 2 millóns de euros. A partidas de fomento do galego máis recortadas foron as que financian, por exemplo, as campañas de normalización lingüística Neste apartado de investimentos inclúense, por exemplo, as campañas de normalización lingüística, o fomento do galego nos medios de comunicación ou o fomento e formación en lingua galega no ensino non universitario. Do mesmo xeito, tamén retrocederon substancialmente -máis dun 70%- as transferencias de capital, os fondos que Política Lingüística achega a outras entidades e institucións para investiren neste ámbito, caso por exemplo dos lectorados de galego en universidades do exterior. Rexurdimento da bandeira da "imposición" Mentres estas cifras se asentan na política orzamentaria da Xunta e mentres, paralelamente, o Instituto Galego de Estatística certifica o retroceso xeral no uso do galego -moi especialmente entre a mocidade-, nas últimas semanas o país vive o rexurdimento, cando menos polo momento moi localizado, de polémicas inchadas na contorna das eleccións galegas de 2009 sobre a devandita e presunta "imposición" da lingua. Así, por exemplo, a pasada semana o pleno do Concello de Ferrol tiña que debater, a instancias da única edil de Ciudadanos, unha moción para derrogar a ordenanza que regula o uso do galego como lingua oficial do consistorio, iniciativa que foi rexeitada. A iniciativa do partido de Albert Rivera foi especialmente aplaudida dende a asociación denominada Galicia Bilingüe, colectivo que, malia súa escasísima implantación, foi empregado polo PP dende a oposición ao bipartito como ariete contra a política lingüística da Xunta. Este grupo, precisamente, foi o empregado por un edil do PSOE en Cee, Modesto Rivas, para cargar contra a ordenanza de fomento do galego que prevé aprobar o pleno de Cee, segundo recolle este xoves La Voz de Galicia. O goberno local ve "absurda" a polémica. |
NOS_46616 | Considera que a denegación da súa manifestación do 1º de maio e a posterior autorización a Vox de caravanas idénticas constitúe un acto de prevaricación. | O sindicato CUT presentou unha querela criminal no Tribunal Supremo polo delito de prevaricación contra o Ministro do Interior, Grande Marlaska e a Subdelegada do Goberno en Pontevedra, Larriba García. O sindicato dá este paso na acción penal por considerar que as autoridades quereladas prohibiron a súa caravana de manifestación do 1 de maio e, "nas mesmas condicións e baixo o mesmo estado de alarma, autorizou as caravanas en territorio das elites homófobas, racistas e xenófobas organizadas en VOX". Indica o sindicato que a súa caravana "prohibiuse baixo o exclusivo argumento de que o artigo 7 do Real Decreto polo que se declara o estado de alarma impide desprazarse en vehículo para manifestarse". Porén, prosegue, ese impedimento aducido por Interior "segue vixente no momento en que se autorizaron os desprazamentos para as manifestacións do pasado sábado 23 de maio." O sindicato considera que este comportamento administrativo responde "aos intereses electorais do Goberno de coalición". Así, afirma, "esta discriminación arbitraria por motivos ideolóxicos e electorais non resulta en absoluto comprensíbel en dereito". A CUT solicítalle ao Tribunal Supremo polo carácter de aforado de Grande Marlaska que determine se esa discrecionalidade e desviación de poder da administración pode constituir un delito de prevaricación ou de deliberado impedimento do exercicio de dereitos fundamentais, así como que estableza se a autoría de tal decisión é do Ministerio do Interior ou da Subdelegación do Goberno. |
NOS_27662 | A fachada marítima da Coruña foi sempre un espazo público. Sempre. Foino grazas ao impulso do tecido cívico da cidade, que impediu calquera tipo de operación especulativa. A chama continúa acesa, na plataforma que pelexa pola devolución gratuíta dos terrenos portuarios e os solares afectados por Defensa. No Sermos238 falamos cun dos seus integrantes, Manuel Monge. Eis un extracto da conversa. | -A Comisión Aberta en Defensa do Común acaba de lograr a aprobación dunha moción no pleno do concello para a realización da consulta popular, mais a batalla dista de estar gañada, non? Fai falta aínda a aprobación da convocatoria por maioría absoluta e iso pasa por obter o apoio do PSOE en María Pita. -Gañamos a batalla, pero está pendente a guerra. Aprobouse o inicio do proceso e para ese inicio non se precisaba a maioría absoluta no pleno. A moción tiña dous elementos. O primeiro, a convocatoria da consulta popular para que a veciñanza diga se quere a recuperación dos bens afectados (os peiraos do porto, o complexo de A Solana e o Hotel Finisterre, os terrenos do campo de A Estrada) sen pagar ningunha contrapartida económica. E o segundo, o apoio do concello á convocatoria dunha manifestación para o 7 de maio, tamén moi importante. E nese sentido a moción concretaba, falaba de que a Alcaldía publicaría un bando e que o goberno municipal colaborará na difusión da convocatoria da manifestacion para que sexa un éxito. E despois sobre a consulta popular ficou estabelecida unha fórmula en que no mínimo se faga unha pergunta e que nesa pergunta se especifique claramente que estamos pola devolución gratuíta deses espazos públicos. Para concretar esa pergunta e para a enviar posteriormente á Xunta da Galiza e despois ao goberno central, ese é o proceso, si que se precisaría a maioría absoluta. E a moción esclarece que se tratará de procurar eses apoios para garantir a maioría absoluta na xunta de portavoces do concello. E nesas estamos. O PSOE non votou en contra da moción. Abstívose. Nós consideramos que neste momento está a porta aberta para que se sume a este proceso. Falando con algunhas persoas do PSOE dicíanme que non se pode permitir que se vendese A Solana, senón que debe haber unha devolución gratuíta e concordaban tamén en que ten que haber unha perspectiva tamén para os peiraos que quedan libres de uso para a actividade portuaria e que teñen que ser devoltos para o seu uso como equipamentos públicos. -Es entón optimista a respeito de que o PSOE acabe por apoiar a convocatoria da consulta popular? -Si, si, eu penso que se pode acabar sumando perfeitamente. Home, do que non se trata agora é de ir lembrando os antecedentes de cada quen. Cada quen ten a súa historia. [A íntegra da conversa, unha dupla páxina, aparece no número 238 do noso semanario, disponíbel xa nos pontos de venda e na nosa loxa] |
NOS_54257 | Máis de 30 das persoas contratadas tomaron parte como comisarias no congreso provincial do cal saíu eleito o seu fillo, José Manuel Baltar. O ex-barón popular prestará declaración a finais de xaneiro. | Fill@s, net@s, sobriñ@s, pais, nais... Así até máis de cen familiares de militantes do Partido Popular de Ourense compoñen a listaxe de contratos que o ex-presidente da Deputación de Ourense, José Luís Baltar, tería contratado de maneira irregular. As loitas de poder no seo do Partido Popular, estarían no centro destas contratacións, cuxo obxecto semella ter sido, garantir a vitoria do seu fillo no congreso provincial, en troca da persoa que contaba co apoio do líder d@s populares de Galiza, Alberto Núñez Feijóo. Neste senso, o xuíz instrutor do caso, Leonardo Álvarez, asegura no auto publicado que existen "indicios de ilegalidade" nas contratacións desenvolvidas polo ex-barón "pre-valéndose a súa condición de presidente". Isto convérteo até o de agora no único imputado por un suposto delito de prevaricación, e nunha das persoas que prestarán declaración a finais de xaneiro --xunto con 9 testemuñas. No Partido Popular de Ourense, protexen o ex-presidente provincial e solicitan a "presunción de inocencia" de Baltar. Na dirección nacional do partido, o seu secretario de organización, Alfonso Rueda, pediu "respecto" para o procedemento xudicial. Porén, os grupos da oposición aplauden o inicio das investigacións e que o Xulgado de Instrución de Ourense decidise, finalmente, admitir a trámite a querela presentada pola fiscalía. No entanto, exixen --ademais das debidas demisións-- que a xustiza continúe avanzando, pois aseguran, "esta é tan só a punta do iceberg". |
NOS_35032 | A editorial Galaxia e a Fundación Isla Couto están a preparar a conmemoración do centenario do nacemento de Xaime Isla Couto. Unha exposición sobre a súa figura, unha fotobiografía e un monográfico da revista Grial serán os primeiros froitos desta efeméride. | O día 2 de outubro inaugurarase na Casa Galega da Cultura de Vigo unha exposición que nos achegará a Xaime Isla (Santiago, 1915-Vigo, 2012). Igualmente Galaxia publicará unha fotobiografía do homenaxeado coordinado por Xosé Luís Pastoriza, principal estudoso do galeguista vigués. E a el tamén lle dedicarán un monográfico de Grial. Xabier Martínez Cobas, conselleiro delegado da Editorial Galaxia e membro da Fundación Isla Couto, destacou para Sermos a contribución do vigués na introdución dunha perspectiva de país no mundo da economía, tanto expresada na teoría nos artigos e editoriais da Revista de Economía de Galicia que el mesmo dirixiu (Xosé Manuel Beiras era o subdirector), como na práctica colaborando con moitas das principais empresas galegas e viguesas daquel momento como a Caixa de Aforros de Vigo, Pescanova, Zeltia, Cementos Cosmos e outras. Estamos diante dunha personalidade singular, explica Martínez Cobas, porque combina una formación humanista e moi profunda de todas as ciencias cunha parte empírica ampla e rica. "El non quedou no seu despacho de catedrático elucubrando", defende Cobas. "Formouse na Xeración Nós e no Seminario de Estudos Galegos e é un dos promotores da confluencia entre galeguismo e o mundo da empresa". Foi Vigo o lugar no que xurdiu o galeguismo de empresa, con actores tan importantes como Parga Pondal, Paz Andrade ou os propios irmáns Isla Couto. "El vive esa realidade, é avogado de moitas desas empresas e cando escribe faino con ese dobre coñecemento teórico e empírico", segundo este profesor de Economía da Universidade de Vigo. Home clave en Galaxia No eido cultural, Isla Couto foi presidente do Consello de Administración de Galaxia. "Foi unha persoa con visión a longo prazo, era o soñador estratéxico, o encargado dos soños do futuro", explicou Víctor Freixanes, director da editorial, nun acto da Real Academia Galega. Apostou nas primeiras producións discográficas en galego e baixo o selo Edigsa-Galaxia publicaríanse nos anos 60 os primeiros discos da Nova Canción Galega. Tamén foi pioneiro ao crear, nos anos 40, unha rede de venda de libros a domicilio e anticipouse igualmente no deseño da expansión internacional de Galaxia, engadiu Freixanes. Ademais da Revista de Economía de Galicia, foi director de Grial e fundou unha editorial católica e galeguista, SEPT. Ingresou na Academia Galega en 1999. |
NOS_12497 | Os casos activos baixan a 4.569. Soben a 265 os pacientes con Covid ingresados, deles 42 en UCI. | Galiza rexistrou outros 233 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas, deles 61 na área sanitaria de Ourense, 54 na de Vigo; 44 na da Coruña e 37 na de Santiago de Compostela. Soben a 265 os pacientes con Covid ingresados na Galiza, deles 42 en UCI. Mentres, na área sanitaria de Lugo confirmáronse 16 positivos por PCR nas últimas 24 horas; outros 15 na de Pontevedra; e seis na de Ferrol. Así consta na información actualizada na web da Consellería de Sanidade na mañá desta quinta feira con datos recollidos até as 18:00 horas de onte, na que se indica que os casos activos sitúanse na Galiza nos 4.569, o que supón 32 menos que na xornada anterior. Por áreas sanitarias, os casos activos aumentaron nas da Coruña a 770 -cinco máis-; Vigo, que teñen 534 -22 máis-; Santiago, 639 -11 máis-; e Ferrol rexistra 148 -un máis-. Mentres, descenden os casos activos nas áreas sanitarias de Ourense, que conta con 1.592 -13 menos-, Pontevedra contabiliza 419 -50 menos- e Lugo ten 467 -oito menos-. En canto ás persoas curadas até a data ascenden a 22.550, o que supón 273 máis que as 22.277 contabilizadas até onte. Pola súa banda, faleceron con coronavirus na Galiza 803 persoas até o momento, as últimas seis vítimas foron notificadas esta cuarta feira pola tarde, catro delas vinculadas con residencias de maiores. En concreto, un home de 94 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) procedía da Residencia Vos Gozos de Pereiro de Aguiar e dous usuarios ingresados no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña: unha muller de 53 anos que procedía do centro Pai Menni de Betanzos e dun home de 78 anos usuario da Ballesol de Oleiros. Pola súa banda, na residencia de maiores de Val de Monterrei rexistrouse a morte dunha muller de 88 anos. A eles súmase a morte dunha muller de 87 anos que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS); e doutra señora de 79 anos que faleceu no seu domicilio da área sanitaria de Vigo. |
NOS_44710 | Esixen ao presidente da Xunta que dimita "canto antes". | O portavoz parlamentario do Partido Socialista (PSdeG), Luis Álvarez, volveu insistir na "absoluta incompatibilidade" de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo Pontón: "Feixoo ten a cabeza a rúa de Xénova, debe dimitir como presidente da Xunta" , compatibilice o cargo á fronte do Goberno galego coa presidencia estatal do Partido Popular (PP). Álvarez instou Feixoo a dimitir "canto antes" xa que "a Galiza deixou de ser unha prioridade" o dirixente popular, do que di que agora está centrado na "estratexia política do Partido Popular". "Preocúpanos cal vai ser a resposta que vai dar Feixoo cando a Galiza compita con Andalucía por encargos para os estaleiros de Navantia ou cando como presidente da Xunta e do PP teña que defender distintos criterios para o financiamento das autonomías cando existen posturas enfrontadas entre as zonas de dispersión e aquelas cunha poboación máis elevada", sinalou o portavoz parlamentario. Feixoo percorrerá España facendo campaña para liderar o PP mentres segue como presidente da Xunta Asemade, considera que a situación actual do presidente da Xunta mantén na "parálise absoluta innegábel", xa que os conselleiros do Goberno galego "descoñecen se van a continuar coas súas responsabilidades". Pactos con Vox Luis Álvarez tamén se preguntou cal será a postura do actual presidente do Executivo galego "cando teña que amparar, como presidente do PP, determinados pactos con forzas que nega a existencia da violencia machista". Despois de que Feixoo anunciase que decidirá aínda en maio cando abandonará a presidencia da Xunta, o portavoz parlamentario asegurou que "canto antes se leve a cabo ese cambio será mellor para todos". Feixoo decidirá aínda en maio cando abandona a presidencia da Xunta "Canto antes saiamos desta situación de provisionalidade mellor será para todos, porque a Galiza ten moitos problemas e debemos salir destes canto antes", concluíu. |
NOS_10259 | Hai cincuenta anos, falamos de 1969, a Editorial Galaxia deu ao prelo, en dous volumes, baixo o título da Galiza feudal' unha orixinal interpretación da nosa Idade Media, redactada por Vitoria Armesto, na altura moi ligada aos círculos da editora viguesa. | Estamos diante dunha interpretación da Galiza medieval na liña analítica iniciada por Bieito Vicceto e Manuel Murguía. Redactada por María Vitoria Fernández- España e Fernández- Latorre, a Vitoria Armesto ou a Totora de tantas crónicas xornalísticas, faladoiros culturais e cociñadas políticas da segunda metade do século XX, asúmese herdeira de investigacións anteriores, comezando polos precursores e rematando por algún dos seus contemporáneos como Emilio González López. Impugna, ao tempo, o edificio historiográfico españolista, entrando en discusión, sen ningún tipo de complexo, coa orientación de Sánchez Albornoz. Responde a consideración da Idade Media como un período chave para explicar a evolución da nosa sociedade , reparando no proceso de conformación da Galiza como unha entidade política de seu durante practicamente dez séculos e analizando os mecanismo de absorción e integración subordinada do reino galego na monarquía castelá. Achega os nomes e os días que definen a constitución da Galiza como unha realidade política propia no contexto medieval europeo. O importante desenvolvemento do país no período do baixo imperio, que explicaría a aparición dun xeración cultural de ouro, formada entre outros por Idacio, Orosio ou Exeria, onde destaca a figura de Prisciliano, o heterodoxo rebelde executado pola teocracia. A explicación do mito xacobeo, a súa contextualización nos xogos de poder e na esixente xeoestratexia peninsular e europea do momento e o seu nacemento como consecuencia do peso político da Galiza. O breve e axitado mandato do rei García, o seu derrocamento e persecución polo seu irmán Afonso VI e o apoio da oligarquía galega, comandada polos Ovequiz e Diego Pais, ao monarca lexitimo. A subida ao trono de Afonso VII, a súa entronización en Santiago de Compostela por Xelmirez e Pedro Froilaz, o seu papel como instrumento do partido galego e a defensa dunha alternativa, concretada na existencia dun reino da Galiza, dirixido por un monarca de orixe, formación e práctica galega, con vontade e autoridade para xogar un papel reitor no espazo cristián peninsular. Responde a consideración da Idade Media como un período chave para explicar a evolución da nosa sociedade Sinala os grandes fitos que determinaron a derrota galega na baixa Idade Media. O fracaso, nas décadas finais do século XIV, do partido galego, encabezado por Fernando de Castro e a morte deste, no exilio en Baiona, por Xoán Andeiro, defensores dunha Galiza dirixente no contexto ibérico, virada de costas a Castela, unida a Portugal e abrazada ás nacións do Atlántico naquela Europa da guerra dos cen anos. A consideración da revolución irmandiña como un fenómeno endóxeno a formación social galega explicábel polo "dinamismo das nosas clases populares" e polo "apoio ás súas demandas do rei Henrique IV". A caracterización positiva da revolta galega contra Castela do século XV, en palabras da autora "o máis interesante da nosa historia", a denuncia das consecuencias para o país da política centralista dos Reis Católicos e a reivindicación das figuras de Pedro Madruga e de Pardo de Cela que "encarnou a enerxía indomábel da Galiza" e "rematou como un rebelde ao servizo da liberdade". Significa, fundamentalmente, unha aproximación ao estudo do medievo partindo da convicción de que neste período se atopan moitas das chaves para explicar a nosa sociedade. Sometida ao silencio imposto pola historiografía dominante a aquelas liñas de investigación que impugnan o relato oficial, ao tempo, padece as prevencións daquelas persoas máis proclives ás análises achegadas neste traballo pero distanciadas ideoloxicamente da autora así como daqueloutras situadas nun marco interpretativo antitético ao das súa últimas posicións doutrinais e políticas. Aproveitemos, logo, o cincuenta aniversario da publicación da Galiza feudal para animar a recuperación e lectura dun traballo esgotado desde fai máis de corenta anos e reivindicar a entidade da obra emprendida por Vitoria Armesto e a súa intuición a hora de xulgar e enfrontar determinado feitos históricos. |
NOS_46152 | Foi o primeiro astrónomo europeo a actuar en terra brasileira e en describir o Cruzeiro do Sul. | O 8 de marzo do ano 1500 unha armada con 13 navíos e máis de 1500 homes, ao mando de Pedro Alvares Cabral, parte de Lisboa para explorar a costa nordeste de América do Sul. Na máis pequena das naves ía un bacharel en artes e en medicina, físico, astrólogo, tradutor e médico persoal do propio rei Don Manuel. Era o galego Joam Faras ou Joam Emeneslau, hoxe coñecido por Mestre João. Unha carta escrita en maio de 1500 e perdida durante mais de 300 anos permítenos coñecer a importancia de Mestre João Faras, físico e médico do rei D. Manuel Unha carta escrita en maio de 1500 e perdida durante mais de 300 anos permítenos coñecer a importancia de Mestre João Faras, físico e médico do rei D. Manuel e, probabelmente, de orixe galega, non só na conquista e colonización do Brasil mais tamén no establecemento de rutas de navegación máis seguras. Alén de ser tamén médico da frota de Cabral que parte para Brasil a súa misión a bordo era testar a utilización do astrolabio e intentar establecer, a falta de unha estrela equivalente á polar, unha fórmula que permitise o cálculo da latitude. Xa en solo brasileiro bautizou esta constelación como A Cruz (máis tarde Cruz do Sul) fixando que o eixo maior formado polas estrelas Gacrux e Acrux indica o polo sul celeste. No día un de maio de 1500 escrebe carta ao seu rei dando conta dos seus achados. O historiador portugués Sousa Viterbo afirma que este Mestre João era na realidade Joam Faras, xudeu converso natural da Galiza que por volta de 1485 xa tería fixada a residencia en Portugal e que ademais era tradutor, para español, do libro De Situ Orbis escrito no século I por Pomponio Mela. Foi tamén astrónomo, astrólogo, cosmógrafo, físico (como os médicos eran entón coñecidos) e cirurxián particular de D. Manuel, rei de Portugal. Titulábase bacharel en Artes e Medicina. O feito de coincidir nunha soa persoa a práctica de tantas artes era común na época, de xeito que non resultaba infrecuente médicos e cirurxiáns cultivaren a astronomía, a alquimia, a astroloxía, a cosmoloxía, a física e a cosmografía. Mestre João é hoxe aceitado como o "padriño" da constelación coñecida como Cruzeiro do Sul mais esta atribución só foi coñecida após a publicación dunha carta súa, dirixida ao rei, descuberta por Francisco Adolfo Varnhagen, na Torre do Tombo, en Lisboa, e publicada no Brasil, por primeira vez, na revista do Instituto Histórico e Xeográfico Brasileiro, en 1843. 343 anos após ser escrita. Nesa carta, escrita nun mixto de español e portugués, el dá ciencia ao rei do descubrimento ou do achamento do Brasil. Infórmao que, para coñecer a localización daquelas terras bastaba consultar o mapa de Pero Vaz Bisagudo, un mapa hoxe descoñecido, no cal xa constaría a localización da nova terra encontrada. Esta discreción informativa fai pensar que Joam Faras estaba actuando en prevención dos servizos secretos europeos, na altura cos ollos postos na corte lisboeta na procura de información que lles permitise incorporarse ás navegacións atlánticas. Foi tamén astrónomo, astrólogo, cosmógrafo, físico (como os médicos eran entón coñecidos) e cirurxián particular de D. Manuel, rei de Portugal Mais o feito máis notábel de Joam de Faras deuse no campo da astronomía. Ao observar as estrelas que aparecían no ceo chamou a súa atención unha constelación. Estudou a súa disposición e comparouna cunha cruz: "... tornando Señor al proposito estas guardas nunca se esconden antes syenpre andan en derredor sobre el orizonte, e aun esto dudoso que non se qual de aquellas dos mas baxas sea el polo antartyco, e estas estrellas principalmente las de la crus son grandes casy como las del carro, e la estrella del polo antartyco, o sul es pequena como la del norte e muy clara, e la estrella que esta en riba de toda la crus es mucho pequena ".João de Faras foi o primeiro en documentar a existencia desta constelación; en 1515 Florentino Corsali denominouna Cruz Marabillosa mais só en 1617 Augustim Royer estableceu o nome de Cruzeiro do Sul. Aínda que os Gregos antigos coñecían estas estrelas, a precesión gradual, isto é, a variación na orientación do eixo de rotación da Terra, foinas poñendo por debaixo do horizonte europeo de modo que foron esquecidas. Obviamente, os nativos do hemisferio Sul tamén a coñecían e na actualidade as cinco estrelas máis brillantes desta constelación aparecen nas bandeiras de Australia, Brasil, Samoa, Papúa Nova Guinea ou Nova Zelandia. Tamén o escudo do equipo de fútbol brasileiro do Cruzeiro porta as cinco estrelas de Crux así como o xornal e a universidade Cruzeiro do Sul. Mesmo varias divisións do exercito estadounidense destinadas no pacífico sur levan tamén este distintivo da mais famosa constelación do hemisferio austral. Na actualidade as cinco estrelas máis brillantes desta constelación aparecen nas bandeiras de Australia, Brasil, Samoa, Papúa Nova Guinea ou Nova Zelandia Durante a estadía no Brasil mestre João só baixou unha vez á terra. Para realizar as medicións correctamente era imprescindíbel situarse en terra firme ("antes me paresce ser impossible en la mar tomarse altura de ninguna estrella porque yo trabaje mucho en eso e por poco que el navio enbalance se yerran quatro o cinco grados de guisa que se non puede fazer synon en terra") Tivo pois que baixar a terra co obxectivo de cumprir a súa misión de medir a latitude desa nova terra co seu astrolabio de madeira e demostrou que as súas medidas son, case, as vixentes hoxe: mediu a altura do sol e calculou que estaba nunha latitude de 17 graos, ben precisa se a compararmos coa establecida hoxe: 16º 21' 22'' O motivo de non ter baixada a terra máis do que unha vez está ben claro na súa carta: ten unha chaga nunha perna e o espazo de que dispón no barco para traballar é tan pouco que non dá para nada: " Señor al otro puncto sabra vosa alteza que cerca de las estrellas yo he trabajado algo de lo que he podido pero non mucho a cabsa de una pyerna que tengo mui mala que de una cosadura se me ha fecho una chaga mayor que la palma de la mano, e tan byen a cabsa de este navio ser mucho pequeno e mui cargado que non ay lugar pera cosa ninguna" Em relação ao "Cruzeiro do Sul", mestre João explica ao rei porque non lle pode facilitar máis detalles: "solamente mando a vosa alteza como estan situadas las estrellas del, pero en que grado esta cada una non lo he podido saber, antes me paresce ser impossible en la mar tomarse altura de ninguna estrella porque yo trabaje mucho en eso e por poco que el navio enbalance se yerran quatro o cinco grados de guisa que se non puede fazer synon en terra" Na carta de Joam Faras hai unha pasaxe que resulta intrigante e parece suxerir que antes de 1500 os portugueses tiñan explorado as costas do Brasil e mesmo navegado "por um mar de agua doce" -certamente o Amazonas- máis de 900 quilómetros río arriba. E tiñan mapas. Só así se pode comprender a referencia de Joam Faras cando escribe "quanto Señor al sytyo desta terra mande vosa alteza traer un mapamundy que tyene pero vaaz bisagudo e por ay podrra ver vosa alteza el sytyo desta terra, en pero aquel mapamundy non certyfica esta terra ser habytada, o no: es napamundi antiguo e ally fallara vosa alteza escrita tan byen la mina" A descuberta dunha ruta para a India e a chegada ao Brasil fixeron de Lisboa o punto de converxencia para expías de toda Europa A descuberta dunha ruta para a India e a chegada ao Brasil fixeron de Lisboa o punto de converxencia para expías de toda Europa. En cada viaxe os navegantes informaban os cartógrafos e contrabandear con esta información levaba a pena de morte. Daí as precaucións de Faras informar o seu rei da ubicación destas terras. Mais, a pesar de todas as precaucións, un italiano de nome Alberto Cantino, espía ao servizo do Duque de Ferrara, consegue unha copia do mapa máis completo que había do mundo da época. Como o conseguiu, non sabemos. Con 2,18 x 1,02 metros, mostra un mundo nunca visto e nel mesmo aparecen terras como a península de Florida que oficialmente aínda non foran descubertas na altura en que se publica o mapa o que fai pensar en navegacións secretas dos portugueses para burlaren os acordos con Castela. Con toda certeza Joam Faras non era o único galego a traballar para o rei de Portugal. Polas mesmas datas e ao servizo do mesmo rei, outro galego, Joam de Novoa bautizou unha pequena illa do Índico, ao sur das Seychelles como A Galega, actualmente grafada Agalega e pertencente a Mauricio. Mesmo outra illa, na colonia francesa de Reunión, leva o nome deste mariño galego. Joam Faras non tivo tanto éxito. O seu nome permaneceu perdido durante máis de 300 anos mais podemos dicir, con moitas probabilidades de non errar, que foi o primeiro galego a pisar, coa Lúa Nova que deixaba ver as estrelas do Sul, unha segunda feira 27 de abril de 1500, solo brasileiro. Foi nun lugar que chamaron illa da Vera Cruz malia estaren certos de ser un continente. A carta partiu para Lisboa e Joam Faras para Calcuta. Este texto, lixeiramente modificado, publicouse no número 192 do semanario en papel Sermos Galiza |
NOS_46009 | Xosé Castro Veiga, 'O Piloto' (O Corgo 1915-Chantada 1965), foi o último guerrilleiro morto en combate en todo o Estado. Elixido comandante en xefe do Exército Guerrilleiro de Liberación Nacional, formado pola II e III Agrupación do "Movemento de Resistencia de Galicia", logo de que o PCE decidise no 1948 abandonar a guerrilla, seguindo as directrices do partido, reorganiza as agrupacións e ponas ao servizo da nova estratexia do PCE, pero négase a deixar as armas, ou marchar da Galiza. Silenciado por "Radio Perinaica", e enfrontado co partido, a súa figura non só non é reivindicada axeitadamente, senón que foi luxada. | Acampaña dos XXV Anos de Paz desenvolvida polo franquismo non podía consentir a existencia dunha guerrilla que seguía e repartir propaganda polas fábricas do Ferrol e Vigo e pola Universidade de Santiago chamando a folga xeral, a mandar comunicados as emisoras de Londres e Montevideo, a intimidar ou expropiar as xentes do réxime. Por iso o xeneral Alonso Vega deu a orde de acabar co 'Piloto' custase o que custase. Xosé Castro Veiga, 'O Piloto', para a xente do común, Luís, para os seus, xa era unha lenda antes da súa morte. Esta só fixo agrandala. A cidadanía do sur da provincia de Lugo convertérao nun mito que lle permitía espaventar o medo, crer que alguén os defendía e agardar tempos mellores. Como mito, non precisa racionalización, senón que é unha creación sentimental e tamén ideolóxica dese pobo que o necesita. Pero, ademais dun guerrilleiro lendario, é unha persoa que aparece moitas veces desenfocada cando non deformada ou anulada na historia. Un dos principais atrancos de escribir dunha lenda é o de discernir cal é o relato inventado, cal o real, pois, moitas veces, o "inventado" é, precisamente, o que dá a súa verdadeira dimensión: só hai que interpretalo ao xeito. Os que máis falan, moitas veces, son os que menos saben, e, así, desde antes do seu asasinato, reprodúcense ducias de mentiras e ducias de inexactitudes. A guerrilla e tamén o PCE tiñan unha norma escrita: "nunca falarás do partido nin da súa existencia sen permiso dos seus responsábeis". Nas normas da guerrilla engadían que non a defenderan publicamente pois "fálese ben ou fálese mal, sempre se dá información". Hai xente que, aínda hoxe, segue esa norma. Outros dan a versión que o interlocutor quere escoitar. Só lle contan a verdade os que "con eles van". Na miña casa nunca se falou do 'Piloto', estaba prohibido. Ao meu avó Francisco detivérano por formar parte da cuadrilla de 'O Piloto'. Pero na conversa dos veciños sempre estivo presente como unha figura máis da parroquia. A morte do 'Piloto' Así que, aquela tarde 10 de marzo de 1965, cando souben que o mataran, faltoume tempo para dicirlles na casa que quería ir velo. O meu avó negouse en redondo preguntándome se quería ir e que me obrigaran a darlle unha patada. Xa se correra a voz de que andaban a coucear nel xa morto. Foron os traballadores que estaban na obras do Náutico e os que estaban nas súas adegas, os primeiros en chegar ao lugar de autos, os que relatan os feitos. Eles están presentes cando chega o capitán de Liña de Monforte, López Vide, que lle zorrega, moi excitado, dúas patadas mentres brada: "Agora collinte, porco comunista. Agora collinte". Un pouco máis tardou en chegar Fermín González, veciño de Lamagrande (O Saviñao), a quen lle expropiara aquel día máis de 15 mil pesetas. El tamén lle pegou dúas patadas mentres o capitán lle dicía: "Déixao, home, déixao, agora xa non pode facer nada" "Si, ben me fodeu, pero agora o fodido e ben fodido é el. Pero vostede pensa que aparecerá algún dos seus compañeiros..." "Se sae algún, tirarémoslle como aos pichóns" Non só era Fermín o que tiña medo. Ese mesmo día, un informe da Dirección Xeral da Garda Civil preguntábase como puidera pasar tanto tempo 'O Piloto' sen ser "executado" antes. Concluía que "os seus apoios deberon ser moi importantes e moi ben organizados", polo que alertaba a todas as unidades da Liña de Monforte "fronte a calquera tipo de reacción ou represalia" e, sobre todo, do "xerme contestatario e rebelde que, certamente, ten que quedar aínda polos lugares". Nos días seguintes a Garda Civil andou en tremuliña pola comarca adiante, con máis medo que afouteza. Á miña casa viñeron, un vez máis, procurar armas. Coma sempre, xa nos avisaran e, cando apareceron, as dúas pistolas do meu avó e unha escopeta estaban ben agochadas na caracocha do castiñeiro do Souto do Rego. Fun eu quen as levei. Nin o Exército Guerrilleiro nin 'O Piloto' tiveron nunca os gardas como inimigos. Nunha folla dirixida á Garda Civil, que metían por debaixo da porta dos cuarteis ou deixaban en bares e cantinas, escribiu: "Franco e os falanxistas asasinos queren facer da Garda Civil unha forza de choque, queren que guerrilleiros e patriotas por un lado e as forzas da Garda Civil por outro se traten como inimigos irreconciliábeis, como membros dunha patria e dunha clase distinta, e se declaren a guerra a morte sen cuartel. Nós nunca matamos a sangue frío os gardas que veñen na nosa persecución, diriximos as nosas accións soamente contra o inimigo de España (A Falanxe). Moitos compañeiros teus de armas axúdannos. Non te deixes impresionar pola liña ríxida do Regulamento, que non é xusta cando se aplica nunha causa inxusta. Agora ben, se algún actúa como esbirro, non dubidedes nin un minuto en que lle daremos o seu merecido sacándoo de diante. Somos temperados, pero tamén firmes e valentes. Viva o Exército Guerrilleiro de Liberación Nacional. Viva Galicia Ceive! Viva a República democrática!". O sinal de non agresión era levar o mosquetón co canón para baixo. Outro dos grandes erros ao falar da guerrilla é deixarlle o relato ás fontes oficiais, aos atestados xudiciais. Aí menten todos. Ningunha das declaracións oficiais citan que 'O Piloto' estaba comendo, aínda que na inspección ocular do médico si afirma que había un anaco de pan e dous chourizos. Xesús de Soto non constata a existencia de catro cartuchos que si aparecen logo recollidos no atestado da Garda Civil. Tampouco aparece, oficialmente, aínda que sería logo condecorado, Anxo Fernández Blanco, 'Angelito', brigada da Garda Civil na reserva, que foi quen realmente dirixiu o operativo, pois fora destinado ás instalacións de Fenosa con esa misión, pois xa participara noutras misións semellantes na Mariña. Foi el quen lle deu a voz de alarma ao cuartel de Chantada aquela mañá: "o mozo está aquí". Por que durou tanto 'O Piloto'? A guerrilla galega foi a primeira en organizarse na península e a última en depor as armas, servíndolle de exemplo a outras guerrillas, mesmo á francesa, que colleu o nome de "maquis". Que sobrevivise tantos anos 'O Piloto', a súa compañeira Mirelle, e máis xente da estrutura do Exército Guerrilleiro, ten moito que ver coas causas obxectivas e cos circunstancias favorábeis. Xosé Castro Veiga, queda illado do PCE, o seu partido, logo de que este decidise dar por rematada a estratexia guerrilleira. Nunha reunión da 2ª e 3ª Agrupacións Guerrilleiras, decorrida en Castro de Rei (Paradela), deciden fundar o Excército Guerrilleiro de Liberación Nacional, nomeando 'O Piloto' comandante, ou, o que é o mesmo, máximo responsábel. Desde aquelas, comezan a usar, maioritariamente, o galego na propaganda e acordan rematar os comunicados cun "Viva Galicia Ceive". A guerrilla entra nunha nova fase. Dadas as circunstancias, deciden facer uso do "territorio neutral de retagarda", que son as terras de Chantada. Unha zona que os guerrilleiros acordara non queimar para que a puidera usar calquera agrupación, ao estar situada no centro de Galiza, e ser unha das máis activas da guerrilla até que se crea a Federación. Neste territorio non se cometen accións de ningún tipo en moito tempo para non queimalo. Pouco a pouco, 'O Piloto' vai trasladando as bases a esta zona e recuperando os apoios e os enlaces que, a maioría, quedaran durmidos desde os anos posteriores a guerra, cando estes vales tiveran un das maiores actividade da guerrilla. Eu teño constancia de 136 casas que lle daban apoio a guerrilla só nas 36 parroquias do concello de Chantada. As expropiacións e as obras, primeiramente do encoro dos Peares e, logo, do de Belesar, proporcionábanlle un lugar axeitado para o proselitismo e a implantación do partido. Pero o máis importante é que na construción destes encoros, tamén no Sil, e aínda outras infraestruturas, participaban presos políticos, bastantes do PCE, algúns que estiveran na cadea con Xosé Castro Veiga, cando remata a guerra e a el o collen defendendo Madrid. Estas persoas non só lle daban cobertura e apoio, senón que axudaban aos sostemento da guerrilla para que non tiveran que realizar expropiacións que "non fosen de castigo". Desde 1948, 'O Piloto', seguindo as directrices que marca o PCE para as novas funcións dos guerrilleiros, "capacitouse" para saber redactar recursos e alegacións nos organismos oficiais e así asesorar aos veciños. "Estudou meses e meses como para preparar oposicións, mi madriña, sabes?", comentaríame a guerrilleira 'Mirelle'. Pero 'O Piloto' non tería sobrevido todos estes anos se non fose pola súa grande capacidade militar, pola súa audacia, por ser desconfiado, e, tamén, todo hai que dicilo, pola súa grande sorte. Foi así como sobreviviu aos infiltrados da Garda Civil, aos intentos do partido de sacalo do medio, e as emboscadas de Chavaga e Remesar, nas que morreron algúns dos seus compañeiros. Por que se nega a deixar as armas? A guerrilleira Ramona Curto, 'Mirelle', compañeira do 'Piloto', sempre se laiou, até a morte, de que "o partido deixounos tirados". Preguntada nunha entrevista en "A Nosa Terra" polas causas de que non marchasen para fora ou de que non depuxesen as armas, a súa contestación foi esta: "O meu Luís (nome de guerra de Xosé Castro Veiga) nunca quixo marchar. Como ía facelo!. Dicía que había moito traballo que acometer. Moito que organizar, pois estaban aí a construción dos encoros dos Peares e Belesar que ían deixar a moitas familias sen terras e sen casas. A xente que nos axudou, a xente que nos amparou, se faltamos nós, vana rebentar. Se non o fan hoxe e porque aínda lle teñen medo á guerrilla. Ti sábelo, miña rula. Hei morrer aquí". "Morreremos xuntos, se fai falta, Luís", contesteille. Xosé Castro Veiga nunca lles tivera moita lei aos dirixentes comunistas. El, coma outros membros dos Comités de Defensa de Madrid, acusábaos de fuxir para Elda, e, logo, para o exilio, e deixalos tirados na capital. Logo da penetración guerrilleira no Val de Arán, aínda se acentuou máis a xenreira contra moitos dirixentes, comezando por Santiago Carrillo, que principiou coa limpeza partidaria, depurando, pouco a pouco, a todo o que puidese ter unhas ideas que coincidisen con Monzón, soubéseno ou non, como era o caso dos guerrilleiros galegos que devecían aínda pola Federación. As proclamas de "Radio Pirenaica" e os escritos de "Mundo Obrero", criticando a política de Unidade Nacional, propugnada pola Agrupación de Guerrilleros Españoles (AGE), viñan a ser, en certo xeito, criticar e descualificar o seu traballo. Atacaban, sobre todo, a propia Federación de Guerrillas León-Galiza e toda a súa política de unidade e pluralidade, que era unha especie de AGE na Galicia. Aínda así, Xosé Castro, seguiría realizando proselitismo a prol do PCE e repartindo carnés da organización até os seus últimos días. E, tamén, levando a cabo unha política de asesoramento e axuda aos necesitados. Un aspecto moi pouco valorado é o papel da estrutura que quedaba da guerrilla á morte do 'Piloto' na conformación do "novo nacionalismo", concretamente das Comisións Labregas. Hai que ter en conta que, cando se comeza a formar o xerme do Sindicato Labrego Galego, aínda non ían alá máis de sete anos do asasinato de Xosé Castro Veiga, e que moitos dos seus colaboradores aínda estaban en activo. Na comarca de Chantada, a enorme tratorada de 1976, non sería posíbel sen a axuda de, polo menos, seis colaboradores máis ou menos directos do 'Piloto'. Eles foron os que apoiaron a aqueles mozos dos Comités de Apoio a Loita Labrega, e puxeron a cara e o seu prestixio para o éxito da mobilización, na que só quedaron cinco tractores sen participar. Un deles, un delator de 'O Piloto' que deu lugar a redada e batalla de Santa Uxía. Tres persoas que sufriran a delación aproveitaron para pincharlle as rodas e ameazar ao Zarralleiro de Viana. Eu estaba alí e non consentín que as cousas fosen a maiores. |
NOS_16052 | Os casos activos por Covid-19 seguen en aumento no territorio galego. | A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informa que na última actualización, no día de hoxe o número de casos activos de coronavirus na Galiza sobe até 10.276, deles 1.886 son da área da Coruña, 1.157 da de Lugo, 1.096 da de Ourense, 1.229 da de Pontevedra, 2.530 da área de Vigo, 1.289 da de Santiago, e 1.089 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 84 están en UCI, 495 en unidades de hospitalización e 9.697 no domicilio. Polo de agora, na Galiza hai un total de 29.955 persoas curadas, rexistrándose 976 falecementos. O número de PCR realizadas é de 738.753. Situación das residencias Os casos activos nas residencias de maiores da Galiza suman 43 casos, sendo a máis afectada a día de hoxe a residencia San Cibrao, en Cervo. Por despece, contan cun usuario da residencia Ntra. Sra. de la Asunción (Caldas de Reis), 1 traballador da residencia de maiores de Laraxe (Cabanas), 3 traballadores da residencia de maiores DomusVi Coruña (Oleiros), 20 usuarios e 11 traballadores da residencia San Cibrao (Cervo) e 7 usuarios e 5 traballadores de DomusVi Ribadumia. |
NOS_31427 | O gran xurado considera que non hai probas de abondo para xulgar o axente que en agosto matou a tiros a un adolescente negro desarmado. Os protestos deixan unha trintena de detidos e unha ducia de edificios queimados. | Darren Wilson, o policía branco que en agosto matou a tiros en Ferguson a Michael Brown, un mozo de 18 anos que estaba desarmado, non irá a xuízo. O fiscal do condado de San Luis anunciou o fallo do gran xurado (composto por 9 brancos e 3 negros) no que se afirma que non hai probas de abondo que xustifiquen imputar a este axente. A reacción, en forma de disturbios, manifestacións e indignación, non se fixo esperar. En Ferguson incendiáronse unha ducia de edificios e varios coches da policía, para alén de se producir enfrontamentos coa policía en diversos barrios. Hai case unha trintena de detidos. A Forza Aérea de Estados Unidos decretou a zona exclusiva aérea sobre esta localidade do medio oeste estadounidense. A policía da localidade recoñece que houbo ducias de disparos nestas horas. Mais non só en Ferguson (Missouri) houbo enfrontamentos. Con diversa intensidade, os disturbios tamén aconteceron en pontos de Seattle, New York, Los Ángeles, Chicago ou Oakland, entre outros. A familia de Brown fixo un chamamento á calma: "Non é axeitado responder á violencia con violencia". O presidente estadounidense Barack Obama recoñeceu que a sentenza podía non ser agradábel para moita xente, para engadir que "con vandalismo e rompendo xanelas" non se vai solucionar nada "É a nosa guerra racial" As palabras máis contundentes foron pronunciadas pola senadora afro-americana Maria Chappelle, que denunciou a existencia de "racismo institucionalizado" e apuntou a que os disturbios amosan que se está nunha situación que é "a nosa guerra racial". Unhas palabras que son partilladas por gran parte da mocidade negra. A brutalidade policial para con este sector da poboación non é algo excepcional. De feito, desde que a comezos de agosto acontenese o 'caso Brown' xa morreron a mans da policía varios mozos negros, como Kajieme Powell, tamén en Ferguson. |
NOS_4215 | Seguen 52 pacientes ingresados por este coronavirus e a taxa de positividade continúa nun 3%. | Os casos activos de Covid-19 seguen en ascenso na galiza por sexta xornada consecutiva e sitúanse en 1.579, mentres que os novos contaxios mantéñense por riba dos 120, con 121, e continúan 52 pacientes hospitalizados debido a este coronavirus. Segundo os datos publicados na mañá desta terza feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta segunda feira, recollidos por Europa Press, descenden a 12 as persoas ingresadas en UCI pola Covid -dúas menos- e aumentan a 40 as que permanecen noutras unidades -dúas máis-. Pola súa banda, 1.527 pacientes están en seguimento no seu domicilio. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende nas de Ourense e na de Pontevedra e O Salnés; aumenta nas da Coruña e Cee e Vigo; e mantense nas de Santiago e Barbanza, Ferrol e Lugo. En canto aos casos activos de Covid por sexta xornada consecutiva aumentan e sitúanse en 1.579 en Galiza, 72 máis que a xornada anterior, ao haber de novo máis contaxios (121) que altas (48), ao que se suma un falecido. Por tanto, sitúanse en niveis da segunda quincena de agosto do ano pasado. Por áreas sanitarias, as infeccións activas soben no sete: Vigo (+37), Pontevedra e O Salnés (+12), A Coruña e Cee (+8), Ourense (+5), Santiago e Barbanza (+5), Lugo (+4) e Ferrol (+1). Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 detectados con calquera tipo de proba mantéñense desde a pasada quinta feira por riba dos 120 e, despois de principiaresta semana con 123, descenden lixeiramente a 121, dous menos. No conxunto de Galiza foron confirmados 122 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos actualizados por Sanidade, dous menos que a xornada pasada, dos cales 50 corresponden á área de Vigo; 25, á da Coruña e Cee; 17, á de Pontevedra e O Salnés; 10, á de Lugo; oito, á de Santiago e Barbanza; outro oito, á de Ourense; e catro, á de Ferrol. As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia ascenden a 2.436 ao notificar Sanidade un óbito esta segunda feira após tres xornadas sen vítimas. |
NOS_43927 | A plataforma informa que iniciará accións legais contra o medio español que, "utilizando a intoxicación informativa, se coloca ao servizo dun novo deseño represivo contra o independentismo" | O diario español ABC publicaba hai uns días unha extensa noticia a dúas páxinas titulada 'Una vasta red de financiación, abogados y adiestramiento blinda Resistencia Galega'. En dita información, o xornal monárquico incluía un organigrama de elaboración propia sobre unha "rede de Resistencia Galega" na que se facía referencia a diferentes organizacións do independentismo, desde as de carácter político ao antirrepresivo ou mesmo de defensa ambiental ou cultural. Unha desas entidades citadas no ABC é Causa Galiza. E a plataforma vén de emitir un comunicado no que anuncia que inicia " accións legais contra o medio español que, utilizando a intoxicación informativa, se coloca ao servizo dun novo deseño represivo contra o independentismo que se argalla nos sumidoiros do Estado" "Infundios" No comunicado, CG reafirma que "somos independentistas e somos socialistas. Desenvolvemos a nosa actividade por vías exclusivamente pacíficas dentro da legalidade constitucional imposta, procurando sumar forzas nunha estratexia de liberación nacional e social para este país xunto aos sectores sociais e políticos dispostos a avanzar nesta dirección". Para Causa Galiza, a nova publicada por ABC "é un infundio típico da prensa española ao atribuírnos a integración en organigramas rumados á comisión de accións políticas ilegais. Nesta ocasión, o infundio, para alén das súas fasquías ridículas, é a expresión máis nítida de sectores do aparato do Estado que pretenden situar no ollo do furacán e, progresivamente, na ilegalidade, a acción organizada dos e das independentistas galegas". Firmeza e solidariedade Malia esta estratexia mediática-represiva, desde Causa Galiza indican que "mantemos e manteremos intactos e inalterábeis os nosos compromisos e a nosa praxe, que son os de milleiros de independentistas galegas e galegos, coa loita diaria pola independencia nacional e o socialismo para Galiza e coa solidariedade con todas aquelas mulleres e homes que son represaliados por traballaren por estes obxectivos". |
PRAZA_1662 | Pablo Iglesias ten razón. Non se trata de crear unha "sopa de siglas". Do que se trata é de aprender das vitorias municipalistas para crear unha sorte de segunda versión de Podemos, ou como un dos activistas de Ahora en común insinuou, un Podemos en Común, que se presente con posibilidades reais de gañar as eleccións | *Artigo de Antón Fernández de Rota e Emmanuel Rodríguez Algo irrompeu na escena, como o fantasma daquel vello manifesto, asediando o capital, pero tamén trastornando as regras do xogo dos seus antagonistas. Agora en Común está en boca de todos, pero que é? Se hai algo que está claro é que se irá transformando velozmente, materializándose de distintas maneiras nos distintos territorios, como unha hidra de mil cabezas. Nalgúns lugares triunfará na súa forma orixinal, noutros é posible que sexa cooptado por partidos de esquerda ou faccións de partidos que vexan nela a posibilidade de sacar tallada. De concretarse a modificación da Lei Electoral coa que acaba de ameazar o PP, e que daría un plus de representantes ao partido con máis votos nas Xerais, as propostas confluentes volveríanse aínda máis necesarias. En calquera caso, Podemos, por si mesmo e coas súas alianzas territoriais, non pode máis que competir por un segundo posto, arriscándose a quedar por debaixo do bipartidismo e así perder a xogada. Se do que trata é de gañar, hai que pensar como constituír algo máis amplo que aspire de verdade a ser primeira forza política. Podemos, por si mesmo e coas súas alianzas territoriais, non pode máis que competir por un segundo posto, arriscándose a quedar por debaixo do bipartidismo e así perder a xogada A día de hoxe Agora en Común non é un partido político, e posiblemente non o sexa nunca. A intención é outra: sacar á luz o que xa está aí, expresando o descontento e a forza da sociedade mobilizada. Agora en Común tivo dous detonadores. Por un lado, o modelo de primarias proposto por Podemos, co consecuente malestar xerado. Non é un asunto menor, ou un mero problema interno a unha formación política, senón a constatación dunha deriva na que o "partido do cambio" se foi apartando cada vez máis da filosofía inicial: esa que, dende @s indignad@s ata as vitorias municipalistas do 24 de maio, iluminou as novas formas de facer política. Tres erros no modelo de primarias. O primeiro: "aplanchar" a diversidade, dinamitando moitos dos seus activos internos e posibles incorporacións ao proceso. O segundo: evitar o voto por circunscricións provinciais, desapegándose polo tanto do territorio e dunha construción do partido descentralizada, asentada nas redes, os movementos e os partidos-instrumentais locais. E o terceiro: avanzar no propio desmantelamento da idea de partido como partido-movemento e partido-instrumental, supeditando a idea da institución como "caixa de ferramentas" a un centralismo logocéntrico; ou dito doutra xeito, Podemos decidiu seguir xirando, como un astro errático, en torno ás formas de partido clásicas. A curva descendente só puido ser revertida polas vitorias dos municipalistas en Madrid, Barcelona, Badalona, Zaragoza, Coruña, Compostela, Ferrol, Cádiz e tantas outras cidades O segundo detonante ten que ver coas pasadas eleccións municipais. Por entón a marca-Podemos comezaba a amosar límites evidentes. A curva descendente só puido ser revertida polas vitorias dos municipalistas en Madrid, Barcelona, Badalona, Zaragoza, Coruña, Compostela, Ferrol, Cádiz e tantas outras cidades. Non cabe dúbida da importancia do factor-Podemos para as vitorias das candidaturas municipalistas. Pero tampouco pode negarse que, se chegaron ás alcaldías, non foi por repetir a fórmula de Podemos -de resultados modestos nos parlamentos autonómicos-, canto por innovar con confluencia máis amplos, vencellados aos movementos locais. Esta nova experiencia política é a que inspira Agora en Común para intentar traducila ao ámbito, certamente distinto, dunhas eleccións xerais. Sexa como sexa, os tres erros das primarias de Podemos mostran a incapacidade da súa directiva para aprender destas leccións, refuxiándose en posturas máis conservadoras: todo por non arriscar a súa posición de dirección política. Pero aínda con todo, Agora en Común non é unha alternativa a Podemos. Menos aínda unha alternativa electoral. Distintos medios quixérono presentar como un ataque ao partido de Pablo Iglesias, mesmo como un cabalo de Troya de IU para salvar as súas naves. Nada máis lonxe da realidade. A análise é unánime nun punto: sen Podemos non se pode gañar. O paradoxo é que Podemos só non é suficiente. A solución: a potencia que hoxe desborda por moito o que contén a súa marca e o que queda reflectido no modelo de primarias proposto. "Desborde" é a palabra clave. Non son iguais os contextos políticos de Madrid ou Aragón, por exemplo, e outros lugares como Catalunya ou Galiza onde os procesos de confluencia entre Podemos e outros partidos están xa avanzados Agora en Común xorde como unha iniciativa dos movementos sociais e dos sectores movementistas máis proclives á confluencia dentro de Podemos e doutros partidos de esquerdas como IU e EQUO. Trátase dunha aposta polo desborde, ela mesma desbordada dende o primeiro momento. @s que participamos do proceso rapidamente vimos como unha pequena iniciativa dunhas cantas decenas de persoas -tod@s activistas e militantes de base- ardía nun ámbito xa de por si inflamable. A declinación de Agora en Común será distinta en cada territorio. Non son iguais os contextos políticos de Madrid ou Aragón, por exemplo, e outros lugares como Catalunya ou Galiza onde os procesos de confluencia entre Podemos e outros partidos están xa avanzados. Nos primeiros está case todo por facer. Nos segundos o reto pasa por afondar a confluencia expandíndoa e democratizándoa aínda máis se cabe. Do que se trata é de aprender das vitorias municipalistas para crear unha sorte de segunda versión de Podemos, un Podemos en Común, que se presente con posibilidades reais de gañar as eleccións Sen dúbida, o que se propón comporta riscos. E por iso non é só a prensa de esquerdas quen lle está a dar bombo, senón tamén a de dereitas. O paradoxo é que quizais esta última estea a lanzar pedras contra o seu propio tellado. Se sae ben, o bipartidismo pode perder o primeiro posto nas xerais. Pablo Iglesias ten razón. Non se trata de crear unha "sopa de siglas". Do que se trata é de aprender das vitorias municipalistas para crear unha sorte de segunda versión de Podemos, ou como un dos activistas de Ahora en común insinuou, un Podemos en Común, que se presente con posibilidades reais de gañar as eleccións, e coa potencia social e de mobilización abondo como para, unha vez na Moncloa, gobernar o cambio enfrontándose aos poderes fácticos. "Desborde" significa presentarse ás eleccións cun partido-movemento e non cun partido ao uso. Unha ampla coalición social, cun volume considerable de activistas que mobilicen a campaña electoral en cada barrio, en cada pobo, motivados pola renovación do "partido do cambio". |
NOS_28373 | Analizamos os viños Couto Mixto e Dpieiga A Valía | Xico vive e reivindica desde Mandín, aldea de Verín en dirección a Chaves, a irmandade e relación da Galiza e Portugal. As variedades deste viño (verdello, dona branca e verdello louro), comúns aos dous territorios, revelan esa unidade nos períodos de expansión da viticultura en Europa: o Imperio Romano e a Idade Media. Son variedades que acentúan a exclusividade dos viños galegos. Xico é artesán na viña e na adega. Boa uva desde o respecto ao medio natural e elaboración tradicional. O resultado é un viño branco complexo, cremoso e persistente. Couto Mixto | 2016 | D.O. Monterrei | Xico de Mandín | 21€ O novo tinto da adega Sidrón, de Paco e Rosa Sanromán, xa está a dar moito que falar. Exclusivo por ser un monovarietal de tinto serodo, variedade coñecida como alfrocheiro preto en Portugal e albarín tinto en Asturias. Outra vez Gallaecia e o Reino da Galiza. Un tinto de finca, A Valía, dunha zona vitícola histórica que conserva variedades e tradicións centenarias. Mais tamén un prometedor futuro grazas a produtores vangardistas que lograrán o recoñecemento desta zona de montaña e dos seus viños. Auténtico e sorprendente tinto de terroir galego. Dpieiga A Valía | 2018 | Negueira de Muñiz | Adega Sidrón | 16€ |
NOS_47101 | BNG e AGE piden ao presidente que "asuma responsabilidades" após as sentenzas que din que a anulación daquel concurso foi "ilegal" e de levar "á ruçina" un sector punteiro. | Núñez Feijóo defendeu a anulación do concurso eólico impulsado polo goberno de coligazón entre PSdeG e BNG porque "así nolo ordenaron os galegos". O presidente da Xunta respondeu así na sesión de control no Parlamento á pregunta do portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, que lle inqueriu sobre as sentenzas xudiciais que declaraban ilegal aquela anulación e as que tomban parte do concuro impulsado polo PP. "Levaron á ruína un sector que era punteiro", reprochoulle Jorquera, que afirmou que "o seu sectarismo sae caro a este país", lembrándolle que dos máis de 5.600 empregos que o eólico xeraba antes de chegar Feijóo á Xunta agora apenas chegan aos mil. "Vai deixar o noso país como farrapo de gaita". "Gobernamos mellor que vostedes, por terra, mar e aire", afirmou, farruco, Feijóo Tamén Antón Sánchez, de AGE, preguntou a Feijóo polo concurso eólico, acusando á Xunta de "defender o ologopolio eléctrico, freando un sector que podía xerar emprego". Sánchez recriminou a Feijóo que defendese a anulación do concurso do bipartito alegando que o levaban no porgrama electoral. "Tamén levaban naquel programa o de que Ence marchase da Ría", dixo. E fíxolle unha pregunta directa que dicou sen resposta, como augurou o propio Sánchez: "Cantos megawatios do seu concurso están instalados a día de hoxe?". E rematou: "Convoque eleccións. Este país precisa un futuro e vostede non é quen de darllo". Conselleiros e conselleiras A sesión de control comezou cunha pregunta do portavoz socialista, Méndez Romeu, sobre os recortes da Xunta en políticas de igualdade. Como exemplo, puxo que dos 10 conselleiros que ten o goberno de Feijóo só catro son mulleres, un número que logrou, dixo, partindo consellerías á metade. A afirmación xerou un rifi-rafe cos populares, pedindo Feijóo a Méndez Romeu que retirase esa afirmación. |
NOS_36255 | Segundo publica InfoLibre.es, Diego Torres, ex socio de Iñaki Urdangarín, apuntou directamente o Rei na súa declaración perante o xuíz. | A xornalista Alicia Gutiérrez publica hoxe unha información en InfoLibre.es segundo a cal Diego Torres tería mostrado ao xuíz diversos correos electrónicos trocados con Urdangarín. Nun deses correos o xenro do Borbón tería escrito: "Deixa que o consulte co xefe". De acordo co manifestado por Torres ao xuíz, o xefe sería Juan Carlos I. Esta revelación teríalla feito Torres ao xuíz ao lle relatar os pormenores dunha das operacións irregulares realizadas polo Instituto Nóos, o chamado Proxecto Ayre, que tiña como propósito a consecución de 100 millóns de euros para patrocinar un barco que iría participar na Copa América. Sempre segundo a información asinada por Alicia Gutiérrez, o xuíz recibiu arredor de 200 correos electrónicos. Torres tería posto tamén en cuestión que a Casa Real se desvinculase realmente das prácticas irregulares de Urdangarín. De acordo coa súa versión, non é que a principios de 2006 lle pedisen que rachase con Nóos. O único que lle terían exixido sería que o seu nome non figurase en ningunha parte. |
NOS_830 | A lei de normalización lingüística recolle, precisamente, que a Xunta da Galiza debe promover "a progresiva normalización do uso do galego na Administración de Xustiza". | O rei español, Felipe VI, presidiu esta terza feira en Vigo a inauguración oficial da Cidade da Xustiza, xunto ao presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda; o presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, Carlos Lesmes, e a ministra de Xustiza, Pilar Llop, alén doutras autoridades. No acto descubriuse unha placa conmemorativa desta inauguración que, para sorpresa de moitas persoas, non ten o texto escrito en lingua galega. De esquerda a dereita, Alfonso Rueda, Felipe VI, Carlos Lesmes e Pilar Llop. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press) "Su Majestad el Rey inauguró la Cidade da Xustiza de Vigo el día 24 de mayo de 2022", reza, nun perfecto castelán que só inclúe en galego o nome oficial do recinto, Cidade da Xustiza. Cómpre lembrar que a lei de normalización lingüística recolle no artigo 7, precisamente, que a Xunta da Galiza debe promover "a progresiva normalización do uso do galego na Administración de Xustiza", alén de recoñecer no artigo 1 o galego como "lingua oficial das institucións" galegas. Un investimento de 40 millóns de euros Estas novas instalacións darán cabida a 38 xulgados e dúas seccións da Audiencia de Pontevedra. A Xunta da Galiza investiu neste proxecto 40 millóns de euros. Os xulgados galegos, faltos de persoal e medios e con 156.000 casos sen resolver Até 500 funcionarios traballarán na nova Cidade da Xustiza, que conta con 44.000 metros cadrados, que non estarán plenamente operativas até 2023. A inauguración con presenza da casa real destas instalacións xudiciais é un bo motivo para se preguntar pola situación real da xustiza na Galiza, onde as competencias no que atinxe á súa xestión están transferidas desde 1996 mentres o resto continúan en mans do Estado. A 31 de decembro de 2021, os xulgados e tribunais da Galiza tiñan 156.027 casos sen resolver, segundo cifras do propio Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). |
NOS_11852 | Os resultados da auditoría forense, que apuntan a graves irregularidades para agochar a débeda da multinacional, facían prever o abandono de Sousa. El marcha, mais non recoñece erros | Manuel Fenández de Sousa demite como presidente de Pescanova e pon así fin a perto de catro décadas nesta empresa, da cal desde 1980 leva a máxima responsabilidade. O seu pai foi un dos fundadores desta empresa. A marcha de Fernández de Sousa era agardada desde que a auditoría forense feita por KPMH desvelara a existencia de graves irregularidades na multinacional para esconder a enorme débeda que tiña. Porén, o até agora presidente non recoñece ningunha desas irregularidades e di que abandona para non ser un obstáculo. |
NOS_17166 | A planificación estratéxica das cidades ten un grande aliado nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) que achegan cada vez máis información que permite valorar alternativas e anticipar os efectos previsíbeis das decisións que se toman ou accións que se executan. | Con todo, este aliado pode converterse nun importante risco se non se deseñan sistemas robustos, flexíbeis e sostíbeis para a xestión das inxentes cantidades de información xerada polas cidades. O seu deseño a través dun proxecto estratéxico de xestión, permitirá, así, a análise da realidade da cidade, un espazo na que a cidadanía e os seus xestores teñan ao seu alcance ferramentas que permitan evolucionar pola senda desexada, entendendo a realidade da cidade dunha forma global e, por tanto, máis eficiente. Trátase, en definitiva, de articular o desenvolvemento dunha cidade intelixente a través de tres ferramentas fundamentais: tecnoloxía, organización transversal e programas de seguimento. A ferramenta tecnolóxica, a través de sistemas de captación multidispositivo, eficientes redes de comunicación e un centro de xestión integrada, coa implantación de servizos tecnolóxicos nos distintos ámbitos da cidade. Unha organización transversal que incorpore instrumentos que fomenten as relacións multifuncionais aliñados cunha visión integrada do modelo de cidade. E todo iso, acompañado de programas de comunicación e formación ao cidadán, de seguimento de obxectivos e un plan de implantación baixo a coordinación dos distintos proxectos en marcha na cidade. Participación cidadá no proceso Un exemplo de coñecemento transversal sería un servizo xa habitual na maioría das cidades, como é o servizo municipal de bicicletas, vinculado na maioría dos casos de forma exclusiva ao ámbito da mobilidade. Actualmente estes servizos permiten aos xestores, coñecer o estado das estacións dispoñíbeis, indicadores de datos de uso, número de usuarios etc. Pero moitas veces, estes datos tan valiosos, quedan niso, datos. A posibilidade de compartir devanditos datos con outros xestores doutros ámbitos municipais permite, sen ir máis lonxe, analizar e debuxar eses carrís bici virtuais que os cidadáns crean diariamente polas súas necesidades de mobilidade, e que é a chave para coñecer desde a área de urbanismo, o trazado ideal que nun futuro podería ser a construción dun novo carril bici para a cidadanía. Este é un claro exemplo de participación cidadá activa e que vai moito máis alá dun simple cuestionario de satisfacción ou dunha canle de suxerencias, como forma de participación cidadá. En definitiva, trátase de abrir a capacidade de comprender e entender o funcionamento real da cidade usando os datos que xeran as actividades que nela transcorren, desenvolver as bases dun novo paradigma de xestión e uso da cidade, e sentar os cimentos dunha intelixencia urbana achegada polos cidadáns, polos xestores municipais e pola capacidade das plataformas tecnolóxicas de servir de soporte á mesma. Este novo paradigma de cidade espello para xerar unha versión da cidade almacenada nas contornas virtuais require de innovadoras plataformas tecnolóxicas que reciban, almacenen, calculen e representen información segundo as diferentes ferramentas elaboradas sobre el para os servizos municipais específicos e usuarios externos, tanto de tipo técnico como para a cidadanía en xeral. Neste concepto radica a gran diferenza de xestionar datos ou xestionar información. |
NOS_57703 | O Dépor ofereceu a súa mellor versión e cazou tres pontos vitais para manter a figura no momento en que o calendario depara os compromisos máis exixentes -a visita ao Camp Nou e o noso derbi no horizonte. | Este Çolak non pode estar nen un minuto sentado na banqueta. O problema é que este Çolak non sempre é o que comparece no campo. Se o fixese, sería un dos futebolistas estrelas da liga e o Deportivo desde logo estaría máis próximo da zona europea do que das beiras do averno. Talvez Çolak decidiu emerxer como o enorme futebolista que é xusto no momento en que Cristóbal Parralo adoptou a arriscada decisión de lle conceder o leme da equipa e, consecuentemente, deixar no banco dos suplentes Fede Valverde, incuestionábel no once titular desde a xornada quinta. Non era calquera momento. Após a vitoria do Alavés face o Las Palmas (2-0), o compromiso co Leganés era o típico duelo de todo ou nada. E Çolak apostou a todo. Mais o futebol, xa o sabemos, é un deporte asociacion, e parte do segredo deste novo Çolak ten a ver con quen foron os seus interlocutores sobre o relvado: dous talentos puros, dous espíritos libres que ecucionan este deporte coas mesmas chaves que o turco. O trío Çolak-Carles Gil-Adrián desarbolou por completo a ordenada escadra madrileña -unha equipa muito difícil de bater, con apenas 13 goles en contra en 14 partidos. O resultado non di o que foi o partido -a vantaxe debería ter sido maior para o Dépor, ese balón de fantasía de Gil a bater contra o estremo da trabe- mais deixa un dado en absoluto desprezábel: Rubén, o gardamallas de Coristanco, foi un espectador máis no estadio de Riazor. Visto o visto, a pergunta a formular agora é: este Çolak será quen de ser así no que resta de campionato? Se é quen, mel nas filloas. RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Sidnei, Schär, Fernando Navarro, Guilherme, Borges, Carles Gil (Fede Valverde, min. 87), Emre Çolak (Pedro Mosquera, min. 90+4), Adrián (Bakkali, min. 83) e Lucas. CD Leganés: Cuéllar, Tito, Bustinza, Raúl García, Diego Rico, Rubén Pérez (Gumbau, min. 46), El Zhar (José Naranjo, min. 69), Eraso, Gabriel, Szymanowski (Amrabat, min. 53) e Beauvue. Gol: 1-0 Adrián (min. 24). Árbitro: Melero López (c. andaluz). Cartóns amarelos a Schär (min. 27), Rubén Pérez (min. 39), Borges (min. 48), Guilherme (min. 53), Gumbau (min. 61), Beauvue (min. 89), Gabriel (min. 90) e Fernando Navarro (min. 90+3). Incidencias: partido da 15ª xornada de LaLiga disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 18.447 espectadores. |
PRAZA_18635 | Rey tivo nas primarias coruñesas 215 votos fronte aos 178 obtidos por García, considerado máis afín á actual dirección do PSOE coruñés, quen este luns dimitiu como voceiro municipal | O taboleiro urbano do PSdeG para 2019 xa está completo. A avogada Inés Rey será a candidata do partido á alcaldía da Coruña tras se impoñer por máis marxe do inicialmente previsto a quen ata este luns foi voceiro municipal, José Manuel García. Cunha participación próxima ao 80%, 215 militantes optaron por Rey, considerada dun sector máis progresista da formación, mentres que 178 apoios foron para García, con máis vinculacións coa actual dirección dos socialistas coruñeses, se ben dirixentes da contorna dos anos de goberno de Francisco Vázquez deron en apoiar a Rey. Inés Rey tivo 215 votos fronte aos 178 obtidos por García, considerado máis afín á actual dirección do PSOE coruñés, quen dimitiu este luns como voceiro municipal e concelleiro A xa candidata socialista a María Pita admitiu nas súas primeiras declaracións como tal que a súa primeira tarefa será tentar "coser" internamente o partido, procurar a unidade, pero tamén advertiu de que o seu será un proxecto "renovado" tras anos, mesmo lustros de tensións internas. A primeira disxuntiva será decidir quen ocupará a portavocía municipal, toda vez que Inés Rey, tamén próxima á dirección provincial, non é actualmente concelleira. Si hai membros do grupo do PSdeG no Concello máis próximos a ela que quen foi o seu opoñente na segunda volta das primarias, edís a priori máis proclives, por exemplo, ao entendemento coa Marea Atlántica. García aproveitou a súa intervención no pleno extraordinario desta mañá para anunciar a súa dimisión: "É a derradeira vez que me vou dirixir a este pleno como concelleiro; foi unha honra", dixo. Rey é así a segunda candidata da historia do partido na cidade tras Mar Barcón -afín a García- e únese a un taboleiro urbano ao que tamén chegaron pola vía da votación da militancia, pero en primeira volta -por obteren no primeiro intento máis da metade dos votos-, os xa candidatos en Ferrol e Ourense, Ángel Mato e José Ángel Vázquez Barquero. Rey e Mato teñen diante de si o reto de tentaren recuperar espazo electoral perdido en 2015 fronte ás gobernantes Marea Atlántica e Ferrol en Común. Rey (A Coruña), Méndez (Lugo), Barquero (Ourense), Fernández (Pontevedra), Bugallo (Santiago), Caballero (Vigo) e Mato (Ferrol) Non se celebraron primarias por haber só unha candidatura en Vigo e Lugo, onde o PSdeG goberna, e mais en Santiago, Ourense e Pontevedra O mesmo lle sucede en Santiago ao ex-rexedor Xosé Sánchez Bugallo, candidato sen primarias tras lograr un pacto previo co sector encabezado por Gumersindo Guinarte, decano da facultade de Dereito da USC e antigo alto cargo da Presidencia da Xunta con Emilio Pérez Touriño. Bugallo xa advertiu nas últimas semanas que só permanecerá na corporación da capital galega ata 2023 no caso de lograr o bastón de mando. Se non consegue volver ser alcalde marchará, admitiu, se ben agregou que se Compostela Aberta volve ser a forza máis votada non impedirá que Martiño Noriega continúe na alcaldía. Tampouco houbo primarias en Pontevedra, onde recunca Tino Fernández, nin nas dúas cidades actualmente gobernadas polo PSdeG. En Vigo non existían dúbidas a respecto de Abel Caballero como candidato e en Lugo será cabeza de cartel por primeira vez a actual alcaldesa da cidade, Lara Méndez, que na recta final do mandato xa fixo explícita a súa vontade de "continuar" o labor iniciado en 2015, cando remudou a Xosé López Orozco no marco dos acordos de investidura coas demais forzas da esquerda na corporación, que esixían a marcha do ex-alcalde para dar o seu apoio ao PSdeG. |
NOS_56470 | Queixerías Prado vén de ser adquirida por unha alianza de dúas empresas, liderada por Oviganic Ibérica e coa participación de Leite Noso. | Queixerías Prado (Monforte de Lemos), nada en 1982 e referente na industria do sector lácteo galego, vén de ser adquirida por unha alianza de dúas empresas, liderada por Oviganic Ibérica e coa participación de Leite Noso. O obxectivo dos novos propietarios, segundo aseguran nun comunicado, pasa por aumentar a produción e oferta da queixaría, cunha aposta pola innovación que consolide as perspectivas de futuro da empresa monfortina aumentando a súa produción. O acordo de compra inclúe a continuidade dos 25 postos de traballo da factoría, así como o mantemento dos acordos con todas as granxas proveedoras, continunado co seu ritmo de funcionamento habitual, garantindo o subministro a todas as cadeas de distribución coas que opera. Queixeirías Prado está situada no polígono de Reboredo en Monforte, ao igual que Oviganic Ibérica. O novo proxecto para a queixaría monfortina está liderado por Oviganic Ibérica, unha industria asentada tamén en Monforte, con 55 traballadores e que realizou nos últimos anos un importante investimento para a modernización da súa planta. Oviganic Ibérica, propiedade da multinacional china Yeeper desde 2019, está a pór en marcha novas liñas de fabricación de leite en po para alimentación infantil de alta gama, así como liñas para a desmineralización de soro e para a elaboración de aceite de manteiga, que serve de ingrediente base para a industria alimentaria. A outra empresa que participa na compra de Queixerías Prado é Leite Noso, a sociedade propiedade de gandeiros galegos que comercializa directamente e sen intermidarios as marcas Deleite e Muuu. No comunicado emitido aos medios, ponse en valor a aposta de Leite Noso por manter contratos estábeis coas granxas a prezos xustos. En abril do pasado ano protagonizou unha importante captación dalgunhas das gandarías máis innovadoras da Galiza, coas que asinou contratos a tres anos e coas que vén realizando proxectos de innovación e desenvolvemento en materia de calidade. Leite Noso destaca que foi pioneira, no seu nacemento, en ofertar contratos no campo a un ano en 2020 e tamén foi a primeira empresa en ofrecer contratos a tres anos na Galiza, o que dá unha maior estabilidade ás granxas, destacan. |
NOS_14612 | Coincidindo co curso escolar, Sermos promove unha subscrición entre os centros de ensino por 124 euros. | O xornalismo constitúe tamén unha ferramenta de aprendizaxe, un instrumento para (re)coñecer a realidade que nos rodea e, con iso, poder contribuír a mudala. Desde esta perspectiva, Sermos Galiza pon en andamento unha nova campaña coincidindo co inicio do novo curso escolar. O medio de comunicación ofrece unha promoción aos centros de ensino (primario, secundario e Formación Profesional) para se subscribiren ao semanario en papel. SermosEscola quere ser unha ferramenta de aprendizaxe e contribuír a difundir as actividades que se desenvolven nos centros de ensino do país A idea é que os centros poidan colaborar co xornal e difundir algunhas das experiencias didácticas implementadas ao longo do ano académico nas páxinas do semanario en papel. No concreto, Sermos Galiza quere pular por aqueles proxectos pedagóxicos e colectivos que teñan interese pola súa orixinalidade, compromiso ou temática. Mais tamén, por aquelas iniciativas que teñan como ferramenta didáctica a imprensa en lingua galega. O obxectivo da campaña non é só contribuír a incrementar a Comunidade Sermos da man dos centros de ensino, escolas e institutos, do país, senón achegar e difundir o semanario entre a mocidade galega como un instrumento de aprendizaxe e normalización lingüística. Unha outra forma de coñecer a realidade social, política, económica e cultural galega coa que debater e construír. O prezo da subscrición anual é de 124 euros. Unha aportación reducida para facilitar a súa participación na Comunidade Sermos, nunha nova campaña coincidindo co inicio do novo curso escolar. |
PRAZA_3828 | Fronte á postura da Xunta que considera que terá que compensar ás concesionarias, a asesoría xurídica do Goberno central, dirixida pola galega Consuelo Castro, salienta que nada impide ás empresas seguir executando os seus contratos | Fronte á postura da Xunta, que considera que terá que compensar ás concesionarias, a asesoría xurídica do Goberno central, dirixida pola galega Consuelo Castro, salienta que nada impide ás empresas seguir executando os seus contratosO pasado venres o presidente Feijóo deu por feito que o Goberno central xa está a indemnizar ás empresas concesionarias de autoestradas, nomeadamente á da AP-9, Audasa, pola caída do tráfico provocada polas restricións de mobilidade xeral implantadas para controlar o coronavirus. A Consellería de Infraestruturas considera que así o establece o Real Decreto-Lei 8/2020 de medidas económicas polo coronavirus aprobado polo Goberno central, que faría que a propia Xunta compense ás concesionarias de autoestradas ou autovías de peaxe en sombra autonómicas. Porén, a Avogacía do Estado négao. O artigo 34 do decreto regula compensacións ou adaptacións de todo tipo de contratos de obras, servizos e concesións públicas. No caso das concesións, no que haberá empresas como as sanitarias que mesmo se poderían ver beneficiadas da crise do coronavirus, establece que a compensación "só procederá cando o órgano de contratación [a aministración], a instancia do contratista [a concesionaria], apreciase a imposibilidade de execución do contrato como consecuencia da situación" creada polo estado de alarma. Ante as dúbidas xurdidas, o avogado do Estado xefe no Ministerio de Transportes elevou unha proposta de interpretación da norma á Avogacía Xeral do Estado, informe que o pasado mércores foi ratificada pola súa máxima responsable, a galega Consuelo Castro, anteriormente responsable da avogacía en Galicia en casos como o do Prestige ou Angrois."Non existe 'imposibilidade' de executar o contrato se as autoestradas manteñen as condicións que lles permiten seguir abertas ao tráfico de vehículos e este segue estando legalmente permitido", di a Avogacía do EstadoO informe de interpretación da Avogacía do Estado sinala que "non existe 'imposibilidade' de executar o contrato se a autoestrada ou autovía manteñen as condicións que lles permiten seguir abertas ao tráfico de vehículos e este segue estando legalmente permitido", situación que se dá na actualidade na que non hai ningunha restrición do tráfico senón da mobilidade en xeral, ata o punto de que a propia concesionaria da AP-9 salientaba a pasada semana que "mantén operativa a estrutura necesaria para manter o servizo en condicións de seguridade e calidade".A propia concesionaria da AP-9 salientaba a pasada semana que "mantén operativa a estrutura necesaria para manter o servizo en condicións de seguridade e calidade"A Avogacía do Estado engade que "a redución no número de vehículos que circula pola autoestrada ou autovía, e a conseguinte diminuación de ingresos da concesionaria, non dan dereito ao reequilibrio económico da concesión" conforme ao decreto de medidas económicas do coronavirus. O seu informe sinala que esa redución de vehículos non sería equiparable aos supostos establecidos na normativa xeral de contratos ou concesións para autorizar esas compensacións e salienta que o decreto "considerase de aplicación preferente mentres dure o estado de alarma" fronte a outras normas anteriores ou xerais.Antes mesmo de que a Avogacía do Estado emitise esta interpretación do decreto ningunha concesionaria de autoestradas ou autovías galegas reclamara compensación. Audasa negouno expresamente e só a concesionaria da Autovía do Barbanza, con peaxe na sombra, remitiu un escrito á Xunta avanzando que non lle correspondería asumir a perda de ingresos. Coa interpretación agora emitida pola Avogacía do Estado queda claro que as administracións non poden autorizar esas compensacións se as estradas seguen sen restricións de tráfico, o que abocaría ás empresas que as reclamen a acudir á vía xudicial, na que deberán demostrar que non puideron cumprir o contrato concesional. |
PRAZA_15632 | A falta de coñecer o dato de decembro, a cifra de viaxeiros que pasaron polos hoteis da comunidade rolda os 3,9 millóns, un máximo histórico que supera os 3,8 millóns do ano 2010. O número de pernoctacións rolda os 7,4 millóns | O 2015 será un bo ano para o turismo en Galicia e para o sector hoteleiro. A falta de coñecer o dato de decembro, a cifra de viaxeiros que pasaron polos hoteis da comunidade rolda os 3,9 millóns, un máximo histórico que supera os 3,8 millóns do ano 2010 e que se situará por riba dos catro millóns no total do ano. O número de pernoctacións rolda os 7,4 millóns, por debaixo aínda dos datos entre 2004 e 2010, os mellores rexistros ata agora. O sector hoteleiro vai saíndo da crise que sufriu despois do último ano Xacobeo. Entre 2010 e 2012 perdera medio millón de viaxeiros e 1,5 millóns de pernoctacións. Nos últimos tres anos a mellora dos datos foi constante e é, sobre todo, o turismo estranxeiro o responsable desta recuperación. O peso dos e das visitantes de fóra de España non deixou de crecer nos últimos anos. Se en 1999 representaban apenas o 12% das pernoctacións anuais nos hoteis galegos, dez anos máis tarde eran xa o 16%, e en 2015 (datos ata novembro) chegan ao 24% do total. De feito, mentres que o número de noites de hotel contratadas polos e polas turistas do resto de España será en 2015 semellante ao dato de 1999 (algo menos de seis millóns), as pernoctacións de estranxeiros e estranxeiras máis que duplican ás de hai 15 anos. A falta do dato de decembro, a cifra supera xa os 1,76 millóns de noites de hotel, un máximo histórico. Melloran tamén os datos nos establecmentos de turismo rural, con 178 mil usuarios e usuarias nos 11 primeiros meses do ano fronte aos 160 mil do 2014 e os 129 mil de 2013. O rexistro deste 2015 achégase ao de 2010 (193 mil). Crece tamén lixeiramente o número de usuarios nos campings galegos, dos 221 mil do pasado ano ata os 223 mil do 2015. |
NOS_10872 | Os produtores acusan Xunta e Estado de non querer dar solución a unha crise que ameaza con pechar até fin de ano, e só na comarca compostelán, máis de 300 expolotacións. | Outra vez o ruxir do motor dos tractores nas estradas de Galiza. Esta sexta feira, en Ordes; como a quinta fora en Vilalba e antes en Lalín, Santa Comba... Tractorada e manifestación para demandar prezos xutos para o leite e para botarlle en cara ás administracións a súa covardía e irresponsabilidade ao non "mover un dedo" a prol dun sector estratéxico como é este para o país. Perto de 500 tractores marcharon por Ordes procedentes de Mesía, Cerceda, A Baña... para exixir solucións. O comercio local volveu pechar en solidariedade cos gandeiros e os veciños volveron secundar a manifestación. Desde os sindicatos lembran que se non cambia a situación, de aquí e ao final de ano pecharán na comarca de Compostela máis de 300 explotacións. "É o principal sector da comarca e o goberno non fai nada", indican desde os sindicatos. Nos vindeiros días haberá novas mobilizacións. E o 3 de setembro está prevista unha magna tractorada en Compostela. Os produtores xa advirten que non se van resignar de brazos cruzados a ver como afogan o sector lácteo galego e, con el, o rural galego. |
PRAZA_13617 | Os socialistas lamentan que, na súa "ansia por ser o primeiro", o xefe do Goberno galego suxerise que os seus antecesores no cargo empregaban fondos públicos para desprazárense ao estranxeiro con obxectivos partidarios | En ocasións, a vehemencia vai acompañada de onda expansiva. Algo así semella ser o que lle aconteceu ao presidente da Xunta á hora de defender, o pasado luns, a limpeza e transparencia das súas viaxes oficiais. Despois de anunciar un periplo por Sudamérica que espertou máis dunha suspicacia por chegar no medio de intensos ruxerruxes de adianto electoral, Alberto Núñez Feijóo tentou zanxar a polémica cunha afirmación categórica. "Son o primeiro presidente de Galicia que, cando vai dar algún mitin ou a algunha actividade política, a Xunta non financia un euro da miña viaxe", sentenciou, dando lugar a deducir, polo tanto, que os seus antecesores, os socialistas Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe, pero tamén os conservadores Gerardo Fernández Albor e Manuel Fraga, facían diluír a liña entre partido e Goberno cando se trataba de facer actividade partidaria fóra das lindes de Galicia. Feijóo asegurou ser "o primeiro presidente que, cando vai dar un mitin, a Xunta non financia un euro da miña viaxe" "Se algunha vez viaxei en campaña electoral foi pagando con fondos do Partido Popular e, por suposto, sempre seguirá sendo así", abondou o presidente, nunha aseveración que xa atopou eco nas filas da oposición, nomeadamente, nas do PSdeG. Despois dunha lexislatura na que o Executivo decidiu rachar co costume instaurado por Touriño de acudir ao Parlamento cada vez que realizaba unha viaxe institucional ao exterior, o secretario de organización dos socialistas, Pablo García, amósase convencido de que "do único que pode presumir" Feijóo "é de ser o primeiro presidente que oculta as súas viaxes ao control" da Cámara. Por este motivo, o tamén senador ve imprescindible non só que o presidente "se desdiga das súas palabras", senón tamén que lles "pida desculpas aos seus antecesores no cargo, tanto aos do PP como aos do PSdeG", entre outros motivos porque "como sucede máis a miúdo do que nos gustaría, son falsas, e porque fan un dano institucional totalmente gratuíto", efecto "que non é maior grazas á mesura e sabio proceder" de Albor, Laxe e Touriño, que ao seren cuestionados pola prensa en torno ás palabras de Feijóo decidiron non abondar en exceso na polémica. Para García as palabras de Feijóo teñen a súa orixe nas "ansias incontrolables" do líder popular por "ser o primeiro" pero, na súa opinión, só logra ser "campión do paro, dos recortes e da paralización económica", tamén é "o primeiro presidente que non dubida en recorrer á ocultación e á mentira para disfrazar o seu fracaso como gobernante", asegura. En calquera caso, lamenta, o titular da Xunta "non recolleu o facho de Pérez Touriño", que "rendeu contas de todas e cada unha das súas viaxes" no Parlamento, cunha "escupulosa separación das viaxes institucionais do período electoral. Neste contexto, o número dous dos socialistas galegos coida que, ademais de desculparse, Feijóo debe aproveitar para "explicar os motivos da xira por Sudamérica" en canto regrese e facelo cunha descrición ante o Parlamento dos "obxectivos logrados". Ademais, ao seu xuízo, ese desprazamento "debera ser unha mostra de que non haberá adianto electoral, senón el mesmo queda retratado", conclúe". |
NOS_52563 | Podemos ser polacos ou ucraínos ao tempo que dar nome a un vento ou ser sinónimos de persoa loira. Polo camiño, bautizamos unha lagartixa e varias froitas, e somos equivalentes a un mozo de corda. | Procurar a entrada 'galego' por algúns dicionarios elixidos ao chou de idiomas europeos pode dar para pasar un bo momento, para botar uns risos e mesmo para se sorprender (e tamén aprender). É a definición que de nós se fai para os falantes doutros idiomas nos seus respectivos dicionarios. Para o dicionario francés (Le-dictionnaire) ante o termo 'galicienne' o primeiro é diferenciar: se somos orixinarios de 'Galice' ("Rexión de España perto de Portugal") ou de 'Galicie' ("en Polonia"). Se a resposta é a primeira, ademais de "nativo ou habitante desa rexión" o dicionario envíanos ao termo composto 'galicienne-portugaise'. E aí fálase do noso idioma? Pois non, na entrada limitanse a sinalar que ese termo é "relativo á provincia española de Galicia, norte de Portugal e Portugal". Moito máis parcos son no 'Dizionario italiano Olivetti', onde 'galiziano' figura como "habitante ou orixinario de 'Galizia'. E punto. Oxford O Dicionario Oxford da lingua inglesa para 'galician' comeza por diferenciar entre nome e adxectivo. Como adxectivo, é "relativo a Galiza, á súa xente ou á súa lingua". Mais, aponta este dicionario, como 'galician' tamén pode ser relativo á "Galicia, no este e centro de Europa". Pero que Galicia é esa? Pois un territorio repartido entre Polonia e Ucraína, e cunha historia máis que turbulenta. Tamén se coñece como 'Galitzia'. Ben, isto en canto ao que atopamos en 'galician' como adxectivo. E como nome? Pois no dicionario de Oxford sinalan que é "nativo ou habitante de Galicia, no noroeste de España", e tamén que é "o idioma, unha lingua romance intimamente relacionada co portugués e que é falada por volta de 3 millóns de persoas, a maioría das cales tamén falan español". Ah! Tamén, como nome, esta entrada fai referencia a "nativo ou habitante de Galicia, na Europa do este". Que curioso Se imos ao Dicionário Priberam da Língua Portuguesa, galego, como adxectivo é "Relativo ou pertencente à Galiza, Relativo ao galego enquanto sistema linguístico, Diz-se de certas variedades de frutos e legumes (ex.: couve galega, limão galego). No apartado de galego' como substantivo masculino, a cousa enriquécese. O termo define ao "natural ou habitante da Galiza", ou á "língua românica ou variedade do português falada na Galiza. Mais a partir de aí o dicionario luso recolle 5 acepcións máis. Tres delas para dar cabida a rexistros "informais" nos que 'galego' ten connotacións despreciativas: galego como mozo de fretes, galego como "indivíduo que faz trabalho pesado e intenso" e galego como "homem grosseiro, malcriado ou rude". E non acaba aquí, senón que tamén rexistra un significado despreciativo que 'galego' ten no Brasil: "português de baixa instrução". No país carioca, e como rexistro informal, 'galego' é tamén unha persoa loira. E que di de nós o Dicionario da Real Academia Española? Na súa última edición retirou acepcións de calego como "tatexo" ou "parvo". Mais 'galego' ten até 10 entradas. Para se refirir ao "natural de Galicia" ou ao idioma propio do noso país. Mais para temén sinalar que, é o nome que en Castela se lle dá ao vento que lles chega da parte de Galiza, ou para indicar que en non poucos países latino-americanos dise para se referir a unha persoa nada no Estado español ou de ascendencia española. 'Galego' tamén é, en Nicaragua e Costa Rica, o nome dunha lagartixa que vive na beira dos ríos e que nada moi rápido. Neste segundo país, tamén dá nome a un 'cabaliño do demo' e en Cuba e Puerto Rico a un ave palmípeda. En Cuba, por 'galego' tamén se coñece o dispositivo que se emprega para aplanar e nivelar a caña antes de moerse. Wiki Mais unha viaxe polo termo 'galego' polos dicionarios do mundo é un aperitivo se comparamos cunha viaxe por 'Galiza' a través das wikipedias nos diferentes idiomas. Un avance: os suecos destacan a nosa música, citando entre outros nomes, Juan Pardo e Marta Sánchez. |
PRAZA_9040 | Senén Pousa, rexedor de Beade dende 1974 e autodenominado como "franquista", vén de anunciar que buscará ser reelixido nas eleccións municipais de maio. O alcalde de Taboadela leva no posto dende 1972 e outros seis políticos manteñen o seu cargo dende os primeiros comicios de 1979. Outros nove, dende 1983. | O alcalde de Beade, Senén Pousa, vén de anunciar que volverá encabezar a lista do PP á Alcaldía deste concello, que ocupa dende 1974. Accedeu ao cargo aínda con Franco como ditador (segue recoñecéndose como "franquista" e afirmando que "fixo cousas boas e malas, como todo o mundo") e gañou as primeiras eleccións municipais celebradas en 1979 e repetiu nas dez eleccións seguintes. Primeiro con Coalición Democrática, despois con Alianza Popular, posteriormente con Centristas de Galicia e dende 1991 co Partido Popular.Senén Pousa non é o único alcalde que mantén o seu cargo dende a ditadura. Tamén o fai Manuel Gallego Vila en Taboadela e mesmo dende antes (dende 1972). Ademais, outros seis rexedores galegos acumulan 40 anos nos seus postos, pois foron elixidos nas primeiras eleccións municipais de abril de 1979. Así mesmo, outros dez manteñen a súa Alcaldía de forma ininterrumpida dende 1983.Senén Pousa (1974) e Manuel Gallego Vila (1972) son os alcaldes galegos que levan máis anos no seu cargoAs eleccións de 2015 supuxeran a marcha dalgúns rexedores igualmente lonxevos. Lonxevas, mellor dito, pois foron dúas mulleres: a alcaldesa de Sandiás (Concepción Méndez Gándara, no cargo dende 1979) e a de Ramirás (Pilar Otilia López, no posto dende 1975). Felipe Traveso García (Agrupación Electores Sandiás) gañou as eleccións, derrotando a Concepción Méndez. Mentres, en Ramirás o BNG ofreceu a súa abstención ao PP para permitirlle manter a alcaldía, pero esixindo o abandono de Pilar Otilia López, o que finalmente sucedeu.Algo máis durou o rexedor de Vilariño de Conso, Ventura Sierra Vázquez, alcalde dende 1979, primeiro co PSdeG-PSOE e despois co PP. En 1995 perdeu o Goberno a mans do BNG, pero recuperouno un ano despois a través dunha moción de censura. En 2007 volveu perder a Alcaldía, pero en 2009 o voto dun tránsfuga do BNG permitiulle recuperala. Finalmente, en 2017 foi condenado a sete anos de inhabilitación para cargo público por contratar a 29 persoas sen convocatoria pública. Gañadores de eleccións con catro partidos distintosMentres que o dominio de Pousa en Beade é esmagador (obtén cando menos 5 dos 7 concelleiros da corporación dende hai décadas), en Taboadela Manuel Gallego Vila mantén unha maioría moito máis exigua, pois en 2015 recibiu o 45% dos votos, o que lle permitiu acadar de forma axustada 5 dos 9 edís en xogo. Gallego Vila, con 82 anos, é un dos rexedores de maior idade, e gañou as eleccións de forma sucesiva con Coalición Galega, Coalición Progresista Galega, Centristas de Galicia e, finalmente, co Partido Popular.Algúns rexedores, como o de Salvaterra de Miño ou o da Peroxa, foron alcaldes co PSdeG-PSOE e co PPTamén pasou por UCD, CG, Coalición Progresista Galega e PP o alcalde de Paradela, José Manuel Mato Díaz, igualmente no posto dende 1979. En 2007 obtivo o seu peor resultado, cun 57%, superando no resto de citas electorais o 70%. Algo semellante sucede en Quintela de Leirado con José Antonio Pérez Cortés, que no 2015 superou o 85% dos votos. En Xunqueira de Ambía o seu alcalde, José Luis Gavilanes Losada, pasou igualmente por UCD, CG, AP e PP, mantendo dende 1979 o seu posto con maiorías moi amplas. En xaneiro de 2000 foi acusado de prevaricación, polo derribo dun muro para ensanchar un camiño, e foi absoltoMáis curioso é o caso da Peroxa, onde o seu alcalde, Manuel Seoane Rodríguez, comezou como alcalde en 1979 co PSdeG-PSOE; dous mandatos despois (en 1987) presentouse por Alianza Popular, despois por Centristas de Galicia, para seguir a partir de 1991 co Partido Popular. Nunca deixou para a oposición máis de tres concelleiros, dous na actualidade, obtendo un 69% dos votos en 2015.E algo semellante sucede en Salvaterra de Miño, onde o seu rexedor, Arturo Grandal Vaqueiro, comezou sendo alcalde con UCD (1979), despois como independente (1983), despois co PSdeG (1987,1991), para continuar co PP a partir de 1995. A diferenza do resto, as súas maiorías foron decote máis axustadas, mantendo no 2015 a alcaldía por só un concelleiro e cun 45% dos votos.O único concello gobernado por un alcalde socialista que se mantén no cargo dende 1979 é o de Brión. Con todo, Xosé Luís García García foi primeiro rexedor durante varios mandatos pola Candidatura Galega Independente. Só a partir de 2007 incorporouse ao PSdeG-PSOE, e sempre con amplas maiorías absolutas, mantendo un 67% dos votos en 2015.Dende 1983Noutros nove concellos o seu alcalde mantén o seu cargo dende as segundas eleccións municipais, celebradas en 1983. Trátase de Vilar de Barrio (Julio Pérez Carballo, PP), Vilamarín (Amador Vázquez Vázquez, PP), O Páramo (Gumersindo Rodríguez Liz, PP), Mondariz-Balneario (José Antonio Lorenzo Rodríguez, PP), Dumbría (José Manuel Pequeño Castro, PSdeG), Carballedo (Julio Manuel Yebra-Pimentel Blanco, PP), Campo Lameiro (Julio Sayáns Bugallo, PP), Beariz (Manuel Prado López, PP) e Abadín (José María López Rancaño, PP).Nunha decena de concellos o seu alcalde mantén o seu cargo dende as segundas eleccións municipais, celebradas en 1983A maior parte manteñen dende entón o seu Goberno municipal con maiorías moi amplas, deixando pouco espazo para a oposición. A maioría pasaron, ademais, por varias formacións políticas, sobre todo por Coalición Galega e Centristas de Galicia antes de rematar no Partido Popular.Nesta listaxe dunha vintena de rexedores a maior parte das localidades son pequenos concellos rurais, pero ata hai pouco houbo unha excepción. A do socialista Julio Sacristán, que cedeu o bastón de mando de Culleredo en outubro de 2017 tras 33 anos. Culleredo supera os 30.000 habitantes e mantén dende hai décadas o seu crecemento. De feito, cando Sacristán accedeu á Alcaldía, Culleredo contaba con pouco máis de 13.000 habitantes. Neses comicios de 1983 o actual rexedor fíxose con 7 dos 17 edís en xogo, ampliando a súa maioría nas convocatorias seguintes, ata os 12 concelleiros de 17 ou os 13 de 21. En 2015 mantivo o seu dominio nuncha corporación moi fragmentada, con 9 representantes de 21, cun total de seis partidos representados no pleno. |
QUEPASA_686 | Continúan os Empresarios de Camariñas enchendo de vida e cultura o Faro Vilán. Despois da exposición sobre os faros costeiros, este mes de xullo, a Sala de Exposición acolle a exposición de fotografía «Ao carón do mar» de Peter Schneider.Peter Schneider nace en 1963 en Frankfurt, viviu de 1998 a 2004 en Malpica e agora, é residente en Lugo, e traballa para axencias de publicidade e editoriais, pero habitual visitante costeiro. Visitantes Durante o mes pasado visitaron o faro Vilán un total de 1948 persoas. Unha cifra importante, intentando chegar ás cifras do verán pasado, pero lixeiramente inferior ás cifras do xuño de 2019 3376 persoas) e de 2018 (2885). A metade dos visitantes proceden da mesma Comunidade Autónoma (o 70% delas da provincia da Coruña) e o 42% proceden de territorio nacional. | Continúan os Empresarios de Camariñas enchendo de vida e cultura o Faro Vilán. Despois da exposición sobre os faros costeiros, este mes de xullo, a Sala de Exposición acolle a exposición de fotografía «Ao carón do mar» de Peter Schneider. Peter Schneider nace en 1963 en Frankfurt, viviu de 1998 a 2004 en Malpica e agora, é residente en Lugo, e traballa para axencias de publicidade e editoriais, pero habitual visitante costeiro. Visitantes Durante o mes pasado visitaron o faro Vilán un total de 1948 persoas. Unha cifra importante, intentando chegar ás cifras do verán pasado, pero lixeiramente inferior ás cifras do xuño de 2019 3376 persoas) e de 2018 (2885). A metade dos visitantes proceden da mesma Comunidade Autónoma (o 70% delas da provincia da Coruña) e o 42% proceden de territorio nacional. |
NOS_9919 | Coida que "a reforma constitucional e o futuro modelo territorial serán o gran debate" nestes comicios e defende que Galiza "debe estar en primeira persoa". | O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, compareceu esta segunda feira en rolda de imprensa para valorar os resultados da xornada electoral en Catalunya. Para a organización frontista o 27 de setembro evidenciou unha "clarísima vitoria" das forzas independentistas que abre "unha nova etapa" no Estado español. Neste senso, Vence asegurou que os comicios ás Cortes españolas, previstos para o mes de decembro, estarán marcados polo debate da "reforma constitución" e do "futuro modelo territorial". Un contexto no que, defenden @s nacionalistas, Galiza "debe estar en primeira persoa". "É necesario que Galiza este nese debate, non podemos correr o risco de quedar fora dun escenario onde se vai redefinir o papel das diferentes nacións", subliñou. Desde a organización frontista defenden que o acontecido nas eleccións catalás achegan "máis razóns que nunca" para a conformación dunha "candidatura galega de unidade" coa que "acadar un grupo parlamentario propio que permita negociar en pé de igualdade cos demais grupos parlamentarios un novo status para Galiza e a defensa dos nosos intereses inmediatos". "O escenario que se abre no Estado ca aposta de Catalunya pola soberanía e o fracaso de Podemos, son razóns sobradas para que reconsideren as opcións" Algo que acontecerá, dixo, "se todo mundo é capaz de ver que Galiza debe estar en primeira persoa no debate da inevitable reforma do Estado". As declaracións de Vence apuntaron directamente ao pre-acordo político anunciado entre Anova, EU e Podemos. O voceiro nacionalista instou a estas forzas a re-pensar a súa posición perante o "fracaso" que, din, evidencian os resultados tirados pola coligazón Podemos-ICV-EUiA. "O escenario que se abre no Estado ca aposta de Catalunya pola soberanía e o fracaso de Podemos, -xunto cos argumentos que xa había sobre a mesa-, son razóns sobradas para que reconsideren as opcións, porque aínda estamos a tempo para sumar nunha gran candidatura galega, plural, de unidade que lle permita a Galiza ter voz potente con grupo parlamentario propio no Congreso non supeditado a ningún grupo estatal", asegurou. Vence concluíu reclamando "xenerosidade" ás demais forzas políticas. "Espero que haxa capacidade para valorar o momento político extraordinario e as oportunidades que se abren para Galiza na vindeira lexislatura". |
NOS_18302 | Actos en varias localidades ao longo desta semana lembraron as reivindicacións deste colectivo. | Ao redor do 28 de xuño de cada ano celébrse o Día do Orgullo para lembrar que en 1969 un grupo de persoas dun bar de New York enfrontáronse á policia para defenderen os seus dereitos. A partires de entón organízanse actividades reivindicativas da comunidade gai, que engloba a LGBT, a comunidade lésbica, o propio mundo gai, bisexual e transexual, co gallo de reafirmaren a súa orientación sexuais e mais para facer denuncia das actitudes homofóbicas. Hoxe haberá unha palestra a partires das 18 horas sobre "A LGTBfobia na Galiza e no mundo. Perpectiva actual." na que participarán Antonio Alonso (Coordinador Amnistia Internaciona en Vigo) e Laura Guisantes (militante de Briga). O acto terá lugar na Casa da Muller (Rúa Romil, 20, Vigo). BandeiraUnha das iniciatiavs para o día de hoxe foi a do BNG compostelán que propuxo que ondeara a bandeira deste colectivo no Concello e unha moción para o seu debate no pleno, este mesmo xoves, na que piden instar á Xunta a tomar medidas nos ámbitos educativo e sanitario. "Máis alá do simbolismo desta actuación, queremos tamén que se visualice que non hai unha ruptura coa traxectoria da última década neste Concello de apoio decidido ás reivindicacións destes colectivos, como a celebración de festivais, ciclos de cinema homosexual, certames de fotografía, obradoiros e charlas, entre outras actividades destinadas a sensibilizar a veciñanza de Santiago", explicou o seu portavoz municipal, Rubén Cela. O BNG compostelán que propuxo que ondeara a bandeira deste colectivo no Concello ManifestoO grupo federal de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais do PSOE publicou un manifesto no seu blogue no que aseguran que "a pesar importantes avances, aínda quedan cousas por conseguir e realidades que cambiar, pero a defensa dos dereitos conquistados é unha das nosas prioridades, ante un goberno do PP que demostrou nestes meses, que é un goberno antisocial, que non cre na igualdade, e desenvolve unha folla de ruta ultraconservadora en canto a dereitos sociais e civís refírese, e que supón un grave perigo para as liberdades públicas alcanzadas no noso país". |
NOS_28207 | A apertura dos campos de concentración da Pobra están directamente ligados á política represiva instaurada polo franquismo e particularmente ao avance do exército franquista ao sur do Ebro e á progresiva caída da fronte catalá, que obrigou á posta en funcionamento de novos centros de reclusión e á activación doutros que xa viñan funcionando desde 1937. Eis un extracto da peza, publicada no número 341 do semanario Sermos Galiza. | A comezos de xaneiro de 1939 entran en funcionamento dous campos de concentración no concello da Pobra do Caramiñal. Un deles, o campo do Pozo, situado a carón da praia onde desembocan o río das Pedras e o Lérez, fronte a fábrica de electricidade de Valverde, emprazábase nunha conserveira de inicios do século XX propiedade da familia Montenegro e na que traballaban principalmente a sardiña e o polbo. O inmóbel, localizado no mesmo lugar onde hoxe desenvolve a súa actividade Conservas Friscos, estaba formado por unha casa-habitación e unha fábrica anexa dunha capacidade limitada, ao igual que o campo de concentración situado no Areal, concretamente nas naves da conserveira de Boullón. A falta de espazo no campo do Pozo e do Areal levou a habilitar a escola de nenas da vila como un espazo auxiliar aos mesmos, certificando a existencia deste estabelecemento penal a propia documentación municipal en abril de 1939 ao afirmar que "na actualidade, en dúas magníficas fábricas de conservas de peixes e mariscos, existen Campos de Concentración de prisioneiros e evadidos do máis diverso matiz". Ao redor de mil detidos Os campos de concentración da Pobra do Caramiñal chegaron a acoller ao redor de mil detidos. Segundo os dados fornecidos por Xesús Costa e Xesús Santos, as persoas que máis e mellor estudaron os centros de confinamento franquista na zona da Barbanza, estes números aparecen confirmados tanto polas fontes orais como pola documentación escrita. Así, coñecemos que o 13 de febreiro de 1939 chegan á localidade uns seiscentos detidos e que o día seguinte dislócanse outras trescentas trinta persoas, após seren trasladadas nun tren de mercadorías desde Zaragoza a Padrón e posteriormente en camións até A Pobra. A maioría dos reclusos confinados na vila da Barbanza correspondíanse con soldados do exército popular que tiñan participado en accións de combate na fronte aragonesa e catalá, sendo na súa práctica totalidade de orixe catalá, como confirman os apelidos dos detidos e a propia memoria das veciñas e veciños da zona. [Podes ler a peza íntegra no número 341 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_28765 | O edificio, de 11.000 metros cadrados, está en pleno centro de Londres. | Nova operación inmobilaria de Amancio Ortega. En pleno centro de Londres. Segundo informa 'Property Week' e recolle El País, o fundador de Inditex acadou un acordo para mercar a sede da multinacional mineira Río Tinto por un prezo de 33 alquilábel. Esta compra é a segunda maior adquisición de Amancio Ortega en Londres. A finais de 2013 comprou o bloque de oficinas Devonshire House, por uns 500 millóns de euros. É un edificio de oficinas de 16.000 metros cadrados. Ortega xa comprara en 2006 o edificio en Londres 100 Wood Street, por 140 millóns de libras, e en 2011 un edificio de oficinas en Oxford Street por 220 millóns. |
NOS_4084 | Reclaman a Oslo que lles devolva os máis de 500 millóns de euros que pagaron en impostos nese país. O goberno noruegués non recoñece o seu dereito a pensión ou prestación. | Eran coñecidos como os 'galisik' (galegos, en noruegués). Por volta de 10.000 mariñeiros galegos que durante décadas (principalmente entre a dos 50 e 80) traballaron enmarcados en buques de bandeira e compañías de Noruega. Cotizaron naquel país e pagaron alíi os seus impostos. Porén, Oslo non lles recoñece dereito a pensión ou prestación. Por iso, e representados pola asociación 'Long Hope', levan meses de mobilziacións e protestos. Agora, decidiron presentar unha demanda nos tribunais de Oslo contra Noruega por non recoñecerlles o seu dereito a pensión embora tributar alí durante anos e para reclamar que se lles devolvan os 520 millóns de euros que (calculan) pagaron alí. Estes ex-mariños levaron en novembro ao goberno noruegués a súa demanda como paso previo a tramitala nos tribunais. Agora xa está presentada e calcúlase que entre 6 e 8 meses poida comezar o xuízo. Nesta loita, indican desde 'Long Hope', teñen o apoio do sindicato mariño de Noruega, e mesmo a Federación Internacional de Traballadores do Transporte (ITF) avalía se dar o paso e persoarse na causa. |
Subsets and Splits
No community queries yet
The top public SQL queries from the community will appear here once available.