ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_12469
O Goberno galego cancela a súa presenza en catro das cinco feiras internacionais do libro en que viña participando. Así o publicou nunha resolución asinada polo secretario xeral técnico da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Jesús Oitavén o pasado 29 de decembro.
O documento expón que a Xunta de Galiza non licitará os catro dos cinco "lotes" destinados á "organización dos actos que vai desenvolver a Consellaría nas feiras do libro internacionais que terán lugar no ano 2018" por 157.024 euros. A presenza institucional só se manterá na Feira Internacional do Libro de Bos Aires. Nin a Feira do Libro para Cativos de Boloña -considerada a máis importante no que respecta ao libro infantil e xuvenil, en que a industria editorial galega é potente-, nin a de Barcelona, nin a de Frankfurt, nin a de Guadalajara (México) contarán co habitual posto da Xunta. A Administración suspende in media res o proceso iniciado o 28 de setembro do pasado ano e acusa "dun crecente desinterese" os axentes implicados nos certames, "fundamentalmente do sector editorial". Desde a Asociación Galega de Editores (AGE), que agrupa empresas produtoras de máis do 90% dos libros que se publican en Galiza, cualifican de "falsidade" a argumentación da Xunta. "É unha vella historia", explica o seu presidente, Xosé Ballesteros en declaracións a Sermos Galiza, "hai tempo que lle manifestamos á Xunta que non estabamos de acordo co sistema de presenza institucional nas feiras". De feito, o 19 de decembro -dez días antes da inesperada resolución gobernamental-, remitían unha carta ao secretario xeral de Cultura Anxo Lorenzo en que expuñan as súas razóns. "A presenza e a participación activa nestas feiras ten importancia para o sector do libro galego", din a Sermos desde a Asociación Galega de Editores "A presenza e a participación activa nestas feiras ten importancia para o sector do libro galego, e consideramos que a AGE non pode continuar a ser un invitado máis no stand de Galiza", sinalaban, "producimos máis de 90% dos libros que se publican no país, afrontamos os custos de manter o sector do libro galego vivo, mais somos espectadores do agravio comparativo". Lamentan que "outras micro empresas", adoito que nin sequera publican en galego, "ocupan o mesmo espazo que calquera das que máis publica no país". Tampouco comparten os editores que "persoas alleas ao sector, que non coñecen a súa realidade nin a do mercado internacional do libro" xestionen e atendan o stand da Xunta. "Dificilmente poden realizar o labor que o libro galego precisa neses foros tan competitivos, malia a súa amabilidade cara ao público asistente", engadían. A misiva da Asociación de Editores solicitaba á Secretaría Xeral de Cultura "procurar vías de colaboración que dean contas dos intereses institucionais e profesionais. Trataríase de sumar esforzos públicos e privados a fin de acudir ás feiras internacionais cun espazo colectivo compartido, ou con varios espazos contiguos, que permitan mostrar o mellor da escrita e da ilustración galega e o máis salientable da industria editorial galega, ao resto do mundo". A misiva da Asociación de Editores solicitaba á Secretaría Xeral de Cultura procurar vías de colaboración Nesa mesma comunicación, que constataba a falta de interese da Xunta por atender ao diálogo sobre as súas consideracións, as empresas editoras anunciaban que asistirán á Feira do Libro para Cativos de Boloña cun posto propio, en que se "mostrarán as novidades das empresas asociadas que o desexen, desenvolveranse actividades profesionais e estará atendido e xestionado pola secretaria ténica da AGE". E expresaban a súa intención de "valorar en cada momento as formas de participar ou non no resto das feiras internacionais programadas". A resposta de Cultura foi anular a súa presenza en Boloña, Barcelona, Frankfurt e Guadalajara. Só estará en Bos Aires, coa xustificación de alí existir "unha importante colectividade galega que recomenda continuar aproveitando este evento para fomentar e promover a cultura galega". A lei do libro e da lectura 17/2006 afirma que "a Xunta fomentará a asistencia das empresas galegas do sector do libro e dos creadores e creadoras a feiras ou exposicións que se desenvolvan fóra do seu ámbito territorial, incluídos os certames internacionais, sempre que estes teñan interese para a comercialización ou difusión das publicacións ou servizos de empresas, ou sexan de interese para o país". A Consellaría de Cultura bórrase agora do medio e deixa o labor en mans do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e das cámaras de comercio.
NOS_33051
En dous focos en Vigo
A área Sanitaria de Vigo detectou seis positivos de Covid-19 relacionados con dous surtos, catro deles confirmados da coñecida como variante brasileira deste coronavirus, mentres que mantén outros 10 en estudo. Así o confirmaron a Europa Press fontes desta área sanitaria, que puntualizaron que até a data son seis os casos confirmados nestes dous focos relacionados coa variante brasileira. Respecto diso, o responsábel do servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, Benito Regueiro, comentou a Europa Press que un dos surtos orixinouse por un caso dun traballador que chegou de Perú e o outro dunha persona que viaxara a México por motivos familiares. Regueiro comentou que en relación con estes dous surtos -un de orixe laboral e outro familiar- hai catro positivos confirmados e secuenciados da variante brasileira, mentres que outros dez permanecen en estudo. "Son dous focos controlados", resaltou Benito Regueiro, para engadir que van "aparecendo casos orfos" que estudan para confirmar a variante á que pertencen entre as predominantes. Este especialista en Microbioloxía resaltou que a variante británica representa "un 80%" dos positivos, polo que se mantén como predominante, á que se suman casos da brasileira e surafricana en menor medida. Con todo, puntualizou que "son virus moi transmisíbeis" e as mutacións como a brasileira ou surafricana "van aparecendo canda a británica", como consecuencia "da adaptación do virus ás medidas" establecidas para frear a pandemia.
PRAZA_2131
Os investimentos en instalacións fotovoltaicas de máis de 2.600 familias galegas quedaron no aire tralos cambios normativos retroactivos do Goberno. Esta fin de semana chega a Lugo e Santiago a campaña Camino del Sol, da Asociación Nacional de Productores Fotovoltaicos. Falamos co seu secretario, Juan Castro Gil
Nunca España fora o país número un do mundo en ningunha tecnoloxía. E foino na enerxía solar. As inmellorables condicións de irradiación e o traballo de moitos pioneiros chegaron a situar España en cabeza da produción eléctrica a través de placas fotovoltaicas. Pero había un problema: "As enerxías renovables -sobre todo a fotovoltaica- son capaces de individualizarse ao máximo e poden estar en mans dos cidadáns", explica Juan Castro-Gil, secretario da Asociación Nacional de Produtores de Enerxía Fotovoltaicas (Anpier) e delegado en Galicia desta entidade. "Nos tres primeiros anos que funcionou a enerxía fotovoltaica en España, apareceron 62 mil pequenos produtores, moi pequenos todos, que demostraron que o cambio cara a un modelo de xeración distribuído estaba á volta da esquina. Iso en España non se permitiu", explica. "Sobre todo porque apareceron outros actores, como cooperativas eléctricas verdes que viron unha oportunidades de negocio, apareceron medios de comunicación que se interesaban pola enerxía, cando a enerxía fora sempre un asunto opaco, apareceron despachos de avogados que xa non estaban vinculados aos intereses de sempre, apareceren enxeñeiros que estaban dispostos a contar moitas miserias do que pasaba no mercado eléctrico...", di. "Nese momento comezaron a entrar nos consellos de administración da grandes empresas eléctricas antigos presidentes do goberno, antigos ministros, antigos secretarios de Estado, e ao mesmo tempo comezaron a aprobarse normativas que obstaculizaban as renovables e o autoconsumo", comenta. "Grazas ao traballo de moitos pioneiros, hoxendía calquera novo produtor podería xerar enerxía de forma máis barata á que lle venden as distribuidoras eléctricas. E iso non se podía permitir. Non queren que produzamos enerxía, porque só a poden producir os que historicamente a viñeron producindo", di. "A gran diferenza, é que os beneficios que xera a enerxía os repartirían un millón de persoas e non tres grandes empresas. Iso non se podía permitir", conclúe. Cambio nas regras do xogo, a ruína para moitos En efecto, en 2004, o Goberno español eliminara as barreiras económicas para a conexión das enerxías renovables á rede eléctrica, igualou as condicións para a súa produción a gran escala, e garantiu a súa venda mediante primas á xeración. A enerxía solar estendeuse por todo o país; só en 2008 instaláronse 2708 MW. Porén, nos anos seguintes varias modificacións na lexislación frearon o crecemento e a comezos de 2012, xusto despois da vitoria electoral do PP, un Decreto Lei paralizou a instalación de novas centrais fotovoltaicas e demais enerxías renovables. En 2013 só se instalaron 140 MW, e en 2014 foron unicamente 7 MW. Pola contra, neses dous anos Alemaña instalou 5.500 MW. Alemaña é, de feito, o país do mundo que máis enerxía solar produce, con nove veces máis potencia instalada que España. E é que non é necesario ter as horas de sol de Almería para que a enerxía fotovoltaica sexa rendible. En 2013 só se instalaron 140 MW, e en 2014 foron unicamente 7 MW. Pola contra, neses dous anos Alemaña instalou 5.500 MW O bloqueo á enerxía solar e ao autoconsumo non só tivo graves consecuencias medioambientais, senón tamén para a economía española, que debe seguir importando combustibles fósiles e uranio para producir a súa enerxía. A dependencia enerxética de España supera o 86%. O informe O impacto das enerxías renovables nos fogares, elaborado para Greenpeace por unha consultora independente, sinalaba que un sistema eléctrico renovable ao 95% suporía un descenso do 34% na factura enerxética dos fogares. E foi especialmente prexudicial para milleiros de pequenos produtores, ao redor de 62 mil, que viron moi comprometido o seu investimento (calculado en máis de 20.000 millóns de euros) e, en ocasións, os seus aforros. As disposicións retroactivas impostas aos produtores españois de enerxías renovables reduciron os seus ingresos nun 30% entre 2011 e 2013, facendo inviables a maior parte das instalacións. Greenpeace denuncia que coa reforma do sector eléctrico "ao cambiar drasticamente a estrutura da amortización, os produtores tiveron que refinanciar ou soportar os pagos mensuais con recursos propios; isto obrigou a achegar garantías adicionais aos bancos, aceptando, ademais, tipos de interese máis altos a cambio de estender os períodos de amortización". Ademais, segundo a organización, o 15% dos produtores ten mensualidades pendentes coas entidades bancarias que os financiaron. 62 mil pequenos produtores (2.600 en Galicia) viron moi comprometido o seu investimento e, en ocasións, os seus aforros "O Goberno animou primeiro a investir e, despois, rebaixou as retribucións á vez que incrementou a presión fiscal. Cambiou cinco veces as regras do xogo", denuncia Juan Castro-Gil. "No mellor dos casos os bancos quedaron con todos os beneficios que podían conseguir en 25 anos. Pero hai quen o está a pasar peor: houbo moitos concursos de acredores, houbo quen perdeu a súa casa", explica. En Galicia hai ao redor de 2.600 familias que se atopan nesta situación, que viron comprometido o seu investimento. "No mellor dos casos os bancos quedaron con todos os beneficios que podían conseguir en 25 anos. Pero hai quen o está a pasar peor: houbo moitos concursos de acredores, houbo quen perdeu a súa casa" "O autoconsumo fotovoltaico está sendo esmagado en España. É un disparate que botáramos a perder esta oportunidade: Non teríamos que mercarlle uranio a Canadá ou gas a Alxeria. É un disparate que moitísimos enxeñeiros españois tivesen que marchar traballar fóra por esta causa", di. "A posición deste Goberno con respecto ás enerxías renovables é de completo rexeitamento. Pero en certa maneira somos optimistas, porque non se lle poden poñer portas ao Sol. A situación cambiará nalgún momento", conclúe. O camiño do Sol Hai unhas semanas botou a andar a campaña El camino del Sol, impulsada por Anpier, e apoiada pola Asociación de Produtores de Enerxías Renovables (APPA), e a Unión Española Fotovoltaica (UNEF), Greenpeace e a Fundación Renovables. A iniciativa -comandada por un autobús que realiza actividades de divulgación- percorreu case todas as comunidades autónomas e esta fin de semana chega a Galicia, onde rematará. Anpier, con máis de 5.000 socios e socias en toda España, organizouna a xeito de peregrinaxe a Compostela e, de feito, varios centos dos seus asociados realizarán dende este venres as últimas etapas do Camiño de Santiago. Haberá actos, ademais, en Sarria (o venres), Lugo (sábado) e Compostela (domingo). Haberá actos en Sarria (o venres), Lugo (sábado) e Compostela (domingo) O obxectivo da campaña é "impulsar unha transición rápida cara a un sistema enerxético baseado no uso de tecnoloxías renovables" e "transmitir tamén cultura enerxética á poboación e denunciar as irregularidades do sistema enerxético español". No acto que se celebrará o sábado en Lugo, ademais, participarán representantes de organizacións sociais (coma a presidenta de Greenpeace España) e forzas políticas, dende o PSOE (coa presenza confirmada de Pilar Lucio, responsable de Enerxía e Medio Ambiente), a Podemos (con Sergio Pascual, número 3 da formación), Ciudadanos (representada por Carolina Punset) e Izquierda Unida (pendente aínda da participación de Alberto Garzón). En Lugo asinarase o Manifesto de Camiño do Sol, un texto "en defensa dun novo modelo enerxético" En Lugo asinarase tamén o Manifesto de Camiño do Sol, un texto "en defensa dun novo modelo enerxético, como alicerce esencial dun verdadeiro desenvolvemento económico sustentable que deixe atrás o vello modelo enerxético, baseado en tecnoloxías fósiles e centrais nucleares, con prezos altos da enerxía, motivados polas sobrerretribucións ás eléctricas". Pedirase, ademais, a "restitución dos dereitos" que a todas as persoas que investiron en renovables "lles outorgaron as normas que deron orixe a estes investimentos".
NOS_4818
A ministra de Cohesión Territorial de Portugal afirma que os plans do Goberno luso son priorizar a conexión de alta velocidade con Galiza a través de Porto antes que unir Madrid e Lisboa por imposición.
Galiza podería quedar en 2030 mellor conectada con Lisboa que con Madrid se se cumplen as previsións do Programa Nacional de Investimentos do país veciño, presentado a pasada quinta feira. E non será grazas ao Estado español, máis preocupado de deixar ben comunicado Madrid, senón do propio Goberno portugués, que non está disposto a aceptar imposicións. Nesta liña pronunciouse a ministra de Coesión Territorial portuguesa, Ana Abrunhosa, quen destacou como "prioridade" do seu Goberno a liña atlántica Lisboa-Porto-Vigo por diante da conexión con Madrid. "A nosa prioridade non é a ligazón entre Madrid e Lisboa, porque de Madrid para Lisboa vamos en avión. Xa temos conexión. A nosa prioridade, certamente, é o Eixo Atlântico, Lisboa, Porto e Vigo", afirmou a gobernante durante as II Xornadas Amizade, promovidas pela eurocidade Cerveira (Portugal)-Tomiño (Galiza). Tal e como adiantara o ministro das Infraestruturas portugués, Pedro Nuno Santos, a idea é conectar Vigo e Porto en menos dunha hora antes de 2030. Será chave neste aspecto a saída sur de Vigo cara O Porriño, que precisa do compromiso do Estado español, anunciado mais aínda non materializado. Esta liña complementaríase coa infraestrutura de alta velocidade entre Porto e Lisboa e a electrificación de todo o trazado, que deixarían a viaxe entre Vigo e Lisboa en algo máis de dúas horas. O que ten claro o Goberno portugués é que non quere "que a solución sexa imposta", como lle deixaron claro ao presidente español Pedro Sánchez no último cumio ibérico após a súa postura. O Goberno español "case impón" como prioridade para a alta velocidade a conexión entre as dúas capitais, Madrid e Lisboa, pero desde o país veciño teñen claro que a súa prioridade é Galiza.
NOS_40687
O manifesto "Volver pagar polo roubado: unha sentenza inasumible para un Estado democrático", promovido polos historiadores Carlos Babío e Pérez Lorenzo, nace apoiado por 270 persoas e case 40 colectivos.
Os investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo reuniron en emnos dun día 250 persoas vinculadas coa escrita, as artes plásticas, a música, as artes escénicas, o xornalismo, o sindicalismo ou o ensino para apoiar o manifesto "Volver pagar polo roubado: unha sentenza inasumíbel para un Estado democrático", no que se pide ao Estado que recorra a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña a fin de evitar que se indemnice a familia Franco polos anos de ocupación de Meirás e, sobre todo, "a fin de impedir que se perpetúe o relato franquista". O texto promovido polos autores de 'Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio' conta tamén co respaldo de trinta e sete colectivos galegos vinculados co mundo da memoria e a cultura como as asociacións culturais O Galo, Maio Longo e IEM, ou as Fundacións Castelao, Alexandre Bóveda, Galiza Sempre, Manuel María, Terra e Tempo e Moncho Reboiras. O seu contido afonda no paso atrás que indican que representa para a defensa da democracia e a memoria a sentenza emitida o pasado 12 de febreiro "porque tece un discurso acerca da ditadura que axuda a branquear o réxime". Reclaman a Moncloa que interpoña os pertinentes recursos ante o Tribunal Supremo "na defensa dos intereses públicos e dos valores democráticos que nos deben representar como sociedade; e como débeda histórica ás vítimas do franquismo" Nese senso, critican que se considere que nin a familia Franco nin o propio ditador realizaron a ocupación "de mala fe", o que na práctica suporía o seu dereito a que lles repoñan integramente os gastos do mantemento e melloras do Pazo, sen ningún tipo de contraprestación nin polos anos de uso nin polos ingresos que obtiveron durante décadas de ocupación. De non ser así sería presumible, di o escrito, un saldo negativo para a familia Franco. "A sentenza mesmo recolle o pago das obras que realizaron tras o incendio de 1978, o que suporía pagar dúas veces polo mesmo concepto pois xa daquela fora indemnizada con 13 millóns e medio de pesetas". Porén, o máis grave para quen asina non é o desembolso económico a que implica a resolución, "senón o feito de que avala o relato franquista sobre o que foi a ditadura. A fin de xustificar que Meirás foi un agasallo que se fixo a Franco a título persoal e non como xefe de Estado, inclúe afirmacións como a seguinte: "El apelativo de Caudillo se aplicaba a él y a nadie más. Y se le presenta como un enviado de Dios. Mensajero divino no puede ser el Estado, ni la Administración General del Estado. Es una persona física". Ademais, o tribunal coruñés menospreza a memoria das vítimas con afirmac ións como "tampoco resulta relevante si las aportaciones fueron mayoritariamente voluntarias o se obtuvieron a punta de bayoneta" e branquea a represión franquista con outras como "no hay constancia de que él (Franco) solicitase esa actuación, la auspiciase o la promoviese". As persoas e colectivos asinantes lamentan que "no momento en que avanzabamos na ruptura co relato sobre a historia do Pazo de Meirás creado e difundido pola ditadura, unha sentenza colabora na consolidación de elementos dese relato e resolve que hai que indemnizar a familia Franco por un ben do que gozou sen que lle correspondese. Mentres, o mesmo goberno do Estado que interpuxo a demanda decide renunciar á posibilidade de presentar recurso e asume a sentenza como positiva para os seus intereses". Por iso reclámanlle a Moncloa que interpoña os pertinentes recursos ante o Tribunal Supremo "na defensa dos intereses públicos e dos valores democráticos que nos deben representar como sociedade; e como débeda histórica ás vítimas do franquismo", e piden á Xunta de Galicia, á Deputación da Coruña e aos Concellos da Coruña e Sada, que interpoñan os seus recursos como entidades adheridas á causa e que insten ao Estado a facer o mesmo. O manifesto, así como a listaxe de asinantes, pode consultarse aquí.
NOS_3964
Así mesmo, exixen aos Gobernos e diferentes Administracións da Galiza, Euskal Herria e Catalunya que articulen mecanismos para facilitar a xubilación anticipada deste persoal ou recuperen aqueles que foron recortados nos últimos anos.
Os sindicatos CIG, ELA, LAB e Intersindical Catalá compareceron esta mañá en rolda de prensa, ás portas do Congreso, para informar das reunións celebradas cos distintos grupos políticos, nas que solicitaron que condicionen o seu apoio aos próximos orzamentos á aprobación do dereito á xubilación do persoal sanitario e sociosanitario aos 60 anos nos sectores público e privado. Por parte da CIG participaron nas xuntanzas a secretaria nacional de CIG-Servizos, Tránsito Fernández, a responsábel do sector Autonómico da CIG-Administración, Zeltia Burgos, e o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel G. Moreira. Profesionais denuncian a precariedade laboral nas residencias públicas da Xunta da Galiza A demanda destes sindicatos concrétase na petición ao Goberno español para que respecte o dereito de profesionais sanitarios e sociosanitarios a xubilarse aos 63 anos, sempre que teñan cotizado o tempo exixido, e que negocie os cambios legais necesarios para conseguir a xubilación ordinaria aos 60 anos durante esta lexislatura. Así mesmo, exixen aos Gobernos e diferentes Administracións da Galiza, Euskal Herria e Catalunya que articulen mecanismos para facilitar a xubilación anticipada deste persoal ou recuperen aqueles que foron recortados nos últimos anos, como as primas de xubilación anticipada. A Xunta asegura que os bonos para persoal sanitario e sociosanitario foron ideados por Turismo Nese sentido, na súa comparecencia, lembraron que a actual lexislación, en materia de Seguridade Social, recoñece o dereito á xubilación anticipada ás persoas traballadoras incluídas en calquera dos réximes da Seguridade Social aos 63 anos, sempre que teñan cotizados entre 38 e 44 anos e 6 meses e que a idade sexa inferior en dous anos, como máximo, á idade esixida que resulte de aplicación en cada caso. Sen penalizacións Os sindicatos demandan que o persoal que teña os períodos de cotización recollidos na norma, e cumpra o requisito de cotización, poida xubilarse sen as penalizacións que marca a actual lexislación, ademais de percibir o complemento de xénero. Esta medida só precisa, segundo explicaron, da aprobación dun Real Decreto en base á Lei 40/2007 Tamén instan o Executivo estatal a recoñecer, durante esta lexislatura, o dereito á xubilación aos 60 anos do persoal sanitario e sociosanitario do ámbito público e privado, e a que non se vincule este dereito á planificación dos cadros de persoal actuais ou futuros, que dependen de decisións políticas que non poden, en ningún caso, vulnerar os dereitos do persoal. Critican que se subaste o edificio Cíes a pesar das necesidades sanitarias de Vigo As centrais sindicais lembraron que "estamos diante de cadros de persoal cunha media de idade moi alta (máis de 50 anos) e cunhas condicións penosas no desempeño. Condicións que, como consecuencia das políticas de recortes, privatización e desmantelamento dos servizos públicos aplicadas os últimos anos, fan imprescindíbel a articulación deste dereito". Neste sentido, denunciaron que a situación actual de falta de profesionais na sanidade e nos sectores sociosanitarios "é consecuencia da planificación sanitaria realizada durante os últimos 10 anos". Unha planificación baseada en "recortar persoal, suprimir postos de traballo e adelgazar e privatizar os servizos públicos, poñendo en cuestión o dereito da sociedade a unha prestación de calidade".
NOS_19680
Luz Darriba garda aínda sorpresas literarias que van máis aló da súa longa traxectoria no mundo da arte, seguramente o eido no que máis coñecida resultaba para o público.
Tras debutar como novelista na nosa lingua hai algo máis dun ano, Belagua volve editar unha obra narrativa de Luz Darriba. Xoguetes para nenos cegos preséntase como unha auto-tradución da autora dunha peza aparecida en castelán en 2015, porén a súa reencarnación para unha nova vida en galego non deixa de ser unha boa noticia. Tamén abona a idea de que Luz Darriba garda aínda sorpresas literarias que van máis aló da súa longa traxectoria no mundo da arte, seguramente o eido no que máis coñecida resultaba para o público. Xoguetes para nenos cegos é unha novela breve artellada nunha dinámica bastante pouco explotada dentro da literatura galega. Seguramente habería que retrotraerse a unha narrativa tan disímil como a de Cunqueiro para lembrar un exemplo autóctono no que a relación entre amo e servo funciona como punto de partida e mesmo como elemento vertebral. Porén, non hai neste argumento nada que recorde a mundos señoriais perdidos cun aire fantástico. A relación entre amo e servo é das que se traman sutilmente en contextos políticos adversos, algo que dá unha dimensión profundamente simbólica a toda a trama construída pola autora. Xan, o fillo cego dunha rica familia que pertence ademais aos vencedores da Guerra Civil, escolle, case como un capricho, a guía e compañía de Xosé, un cativo da súa idade de procedencia social moito máis humilde. A novela, narrada ao xeito das memorias de Xosé, cóntanos este servizo, tan informal como intenso e duradeiro no tempo, no que fai de compañeiro de xogos, cómplice, guía e tamén vasalo dunha persoa que ademais destaca pola súa particular intelixencia. Entre ambos, técese unha intensa relación de mutua necesidade que tamén se irá tinguindo pouco a pouco de rancor e vergoña. A cegueira de Xan permite que Xosé goce de cousas ás que non tería acceso doutra maneira, e por iso mesmo leva mal a destrución que este exerce contra moitos destes obxectos. Da mesma maneira, a distancia social e ideolóxica dos mundos de ambos vaise facendo cada vez máis patente e a necesidade que teñen un do outro vai configurándose como unha pesada carga. Avanzando cara ao final da obra, é case imposíbel que a imaxinación non nos faga evidente a forza metafórica que os dous personaxes teñen colocados no escenario da posguerra. Eivas conxuntas trazadas na mesquindade dunha relación xerárquica, estabelecidas nun mundo de vencedores e vencidos onde é normal tratar as persoas como obxectos ou como botíns dunha guerra antiga.
NOS_14462
O rexedor considera que detrás da moción de censura presentada por Partido Popular e Somos Fene hai "intereses de tapar corruptelas" do PP. O BNG empraza Luis Villares a desautorizar os edís de Somos Fene.
Juventino Trigo, alcalde de Fene polo BNG, e Bieito Lobeira, responsábel de Organización da fronte nacionalista, compareceron esta sexta feira para valorar a moción de censura presentada por PP e Somos Fene contra o goberno local integrado por Bloque e Esquerda Unida. Para Trigo, "os que viñan para mudalo todo terán que explicar porque dan a alcaldía ao PP" e asegura que o motor da moción de censura é "o interese de tapar corruptelas do PP investigadas pola xustiza". O rexedor nacionalista destacou que os impulsores da moción son tan lacazáns, que nin sequera "mudaron a data da moción de censura que ían presentar en xuño". Destacou que o goberno local puxo en marcha obras que levaban décadas paradas, desbloqueou a contratación de persoal, desenvolveu programas de emprego e formación para persoas paradas e xente moza, "e se estaba facendo unha limpeza de malas prácticas e corruptelas instaladas desde fai anos". De por parte, Bieito Lobeira trasladou o apoio do BNG ao "goberno lexítimo" de Fene. "Do punto de vista democrático, queremos facer un emprazamento directo á organización En Marea e ao seu portavoz Luis Villares a que tomen nota do que está a suceder en Fene e que, máis aló de cuestións declarativas, teñan unha actuación contundente e coherente coa gravidade do que está pasando en Fene". En Marea rexeitou nun comunicado categoricamente a moción de censura e di que a mesma "segue a liña de tráfico político coa que o PP está operando en concellos como Sanxenxo, Tui ou o propio Fene".
NOS_34801
Publicarase un libro coas conclusións deste proxecto da Deputación de Pontevedra.
O deputado de Mobilidade e Espazo Público da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, que tamén foi o responsábel da organización da Facultade Ágora, cualificou como "un éxito absoluto" tanto a inscrición, de 213 persoas, como a asistencia e a interacción nos seminarios de Ágora. Finalmente foron 124 as persoas que aprobaron os exames requiridos para obter a titulación, "case a totalidade dos que se presentaran", e que na quinta feira recibiron o título de técnicos Ágora no acto de clausura do programa en Pontevedra. Benítez afirmou que o acto de clausura tiña por obxectivo "poñer en valor por primeira vez a formación de persoal técnico especialista na recuperación do espazo público". O deputado valorou como "moi positiva, necesaria innovadora e diferente" a experiencia da Facultade Ágora, aínda que recoñeceu que non foi sinxelo debido á obrigatoriedade de desenvolver os seminarios formativos vía telemática pola Covid-19. Benítez abriu a porta a organizar novas edicións e agradeceu a colaboración de Rede de Cidades que Camiñan. O titular de Mobilidade e Espazo Público anunciou que as conclusión e relatorios dos seminarios publicaranse nun libro. Este volume recollerá as diversas intervencións das poñentes ao longo dos seminarios, para ser distribuídas por colexios oficiais, escolas técnicas, concellos e institucións de toda Galiza e do Estado español. Asegurou que a Facultade Ágora "é moi necesaria", xa que o espazo público "é unha competencia estritamente municipal e recibe unha gran cantidade de cartos públicos, polo que hai que pensar ben como se gastan". Segundo a Deputación, un dos obxectivos destes seminarios era suplir "o déficit" existente nas carreiras oficiais, para o que se desenvolveu unha proposta "innovadora" pola súa "visión multidisciplinar do deseño urbano". Neste sentido, Benítez detallou que o corpo docente da facultade estaba formado por persoal de até 14 titulacións diferentes: médicas, urbanistas, arquitectas, enxeñeiras, matemáticas, xeógrafas, escritoras e fotógrafas, entre outras. "O espazo público é o único verdadeiramente democrático e ten que haber unha visión plural, olladas diversas", engadiu.
NOS_56471
O Parlamento galego rexeita por unanimidade a expresión "Galiza profunda" usada no auto da xuíza de Marbella.
A Cámara galega expresou por unanimidade esta terza feira o seu rexeitamento á utilización da expresión "Galiza profunda" para calquera aldea, parroquia, pobo ou cidade galega. "Este cualificativo implica unha valoración pexorativa e inxustificadamente negativa do país, que resulta inadmisíbel en calquera contexto máis aínda nunha resolución xudicial", sinala unha declaración institucional que foi pronunciada polo presidente do Parlamento de Galiza, Miguel Santalices, no pleno. A declaración estivo apoiada polos 3 grupos (PP, BNG e PSdeG) e realizouse a partir dunha proposta do Bloque. Os grupos da Cámara galega acordaron este texto despois de coñecerse as afirmacións contidas nunha resolución xudicial do Xulgado de Primeira Instancia de Marbella, na que se denomina "Galiza profunda" a a unha vila galega e atribúense limitacións á felicidade e ao desenvolvemento integral dunha persoa por vivir nela. "Por esta razón, as forzas políticas con representación no Parlamento de Galiza queremos reafirmar o noso orgullo como galegas e galegos e así o expresamos con esta declaración institucional que é, tamén, un acto de dignidade colectiva" O texto, que deixa claro que ao Parlamento galego non lle corresponde pronunciarse sobre o fondo da cuestión que, en todo caso, "debe priorizar o interese superior do menor", sostén que afirmacións desta índole "mostran un profundo descoñecemento da realidade de Galiza e do pobo galego". Ademais, apunta que evidencian "enormes prexuízos e estereotipos que nada teñen que ver con este país, no que concorren todas as condicións para un pleno e integral desenvolvemento das persoas". "Resulta sorprendente e rexeitábel que estes estereotipos aínda atopen eco como ocorre no presente caso", indica. Neste sentido, considera que "calquera aldea, pobo ou cidade galega é apta para o desenvolvemento dun neno ou nena". "Por esta razón, as forzas políticas con representación no Parlamento de Galiza queremos reafirmar o noso orgullo como galegas e galegos e así o expresamos con esta declaración institucional que é, tamén, un acto de dignidade colectiva", expresa.
NOS_1024
Coincidindo co primeiro día de touradas en Pontevedra, centos de persoas manifestáronse polas rúas da cidade do Lérez para reclamar a fin da "barbarie taurina".
Pasadas as 20h saían da praza da Peregrina de Pontevedra centos de persoas, mozos e mozas na súa meirande parte, para protestar contra as touradas. Fixéronos convocados e convocadas polo colectivo Touradas Fóra de Pontevedra, que salienta que a loita antitaurina suma apoios cada ano. A principal reivindicación de Touradas Fóra de Pontevedra pasa pola supresión do convenio de 45.000 euros asinado entre Concello de Pontevedra e a praza de touros, cuxa titularidade é privada. Este acordo ten por obxecto o aluguer das instalacións para poder ser empregadas, como cada ano, na Feira Franca. Para o colectivo trátase un "privilexio ao lobby taurino". O Goberno local de Pontevedra, pola súa banda, insiste en salientar que nunca financiou as touradas. Na marcha puideron escoitarse berros como "A tortura non é arte nin cultura" ou "Fóra touradas da nosa terra". Quen apoia a manifestación? A organización subliña que nesta ocasión sumáronse cinco organizacións ás 90 que xa apoiaran a marcha no 2014. Así, Touradas fóra de Pontevedra informa de que se adheriron á manifestación un total de 95 entidades. Son Equo Galicia, Isca!, Asociación Cultural 105 Besos, APDR, Ceivar, Irmandade Druídica Galaica, Protectora Os Biosbardos, Coordinadora Protectoras Provincia de Pontevedra (ACOPO), Colectivo Nacionalista de Marín AC Almuinha, Causa Galiza, Gentalha do Pichel, Gatos en los Árboles, Esquerda Unida Pontevedra, Protectora de Animais Peludos sen Fogar , A.C. Amig@s da Cultura,Assembleia Feminista Galega, Anova Pontevedra, Amigos da Terra, Vox Ánima,: Distribuidora Anarquista Polaros, Antiespecismo Pontevedra, Liga Estudantil Galega , Xeira, Liceo Mutante, Marea Pontevedra, BNG, Adega, Igualdade Animal, Asociación E.D.D.A, Mulheres Nacionalistas Galegas, Galiza Nova, Solfabirras( banda de música), Lena Protectora de Animais, Galiza Contrainfo, PCPG, Refuxio de animais de Cambados, Partido da Terra, Verdegaia, Animales sin Fronteras, A Cova dos Ratos, Galicia, Mellor sen Touradas, Mocidade pola Abolición, Animalistas ao Concello, A Coruña Libre de Touradas, Cora Sayers (banda de música), Clínica Veterinaria Seixo Vet, Protectora Morrazo Pontevedra, Movemento Estudantil do Carballiño, Espazo Ecosocialista, Agir, Podemos Pontevedra, Os Palleiros, Pontevedra Fútbol Gaélico, Capitán Gosende, Antía Picón Despacho de Avogados, Asociación Cultural Deportiva Dorna Arousa, Asociación Cultural En Pé, Asociación Cultural Alén Nós, Protectora Arco da Vella, Atlético Fragas Atlético Estación, Asociación Cultural Os Chichisos, Centro Social Fuscalho, Vaipolorío, Fundaçom Artabria, Queremos Galego Marín, Vaipolorío, Gato Pirata Comité Pro Animal A Mariña, Que desilusión!, Asociación Animalista Libera, Refugio Noé Redondela, Briga, Asociación Abeiro, CIG, Matar por Matar Non, Colonias Canguesas, Marea Veciñal de Marín, Asociación Moura, SOS Animalia, Suevia Fútbol Gaélico, Torques Fútbol Gaélico, Afiadoras Fútbol Gaélico, Cascarilha Fútbol Gaélico, Sociedade Cultural e Deportiva do Condado, Avante Morrazo, Ambilokwoi FG, Carcamáns FG, Liga Gallaecia,Gatocan, Asociación Cultural Festival das Brétemas, Proyecto Gato, Amigos da canceira de Poio, Protectora Vigo Mascotas e aPlataforma de Emigrantes Retornad@s de O Salnés.
NOS_55594
O gasto, entre 2010 e 2014, foi de 22,6 euros por habitante, o 0,12% do PIB.
O investimento da Xunta en cultura entre o 2010 e 2014 caeu nun 44%, ficando en 22,6 euros por habitante, o que supón que apenas o 0,12% do PIB se destinou a este campo. Son dados do Anuario de estatísticas culturais que vén de publicar o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. O gasto liquidado pola administración galega en cultura foi de 62,2 mllóns de euros en 2014, cifra moi inferior aos 111,1 millóns de 2010. Os 22,6 euros por habitante da Xunta en cultura fican moi por baixo dos que destina Euskadi (55,8 euros), Nafarroa (49,6), Estremadura (35,5) ou Catalunya (33,1 euros por habitante).
PRAZA_17908
A campaña arqueolóxica levada a cabo polo colectivo romanarmy.eu atopou material militar romano e moedas acuñadas entre o 25 e o 22 a.C. para pagar aos lexionarios que participaban nas campañas bélicas. O recinto está afectado por un plan de repoación forestal que de levarse a cabo "danaría de maneira irreversible" o espazo
Manzaneda achega pistas sobre a conquista de Gallaecia polo exército romano A intervención no campamento romano de Penedo dos Lobos (Manzaneda), levada a cabo durante a pasada semana polo colectivo de investigación romanarmy.eu, permitiu descubrir a presenza militar romana máis antiga documentada ata o momento no territorio da actual Galicia, e que podería vincularse cronoloxicamente á época das Guerras Cántabro-Astures. A campaña arqueolóxica, dirixida polo investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC João Fonte. localizou material militar romano, as características chatolas das sandalias romanas (caligae) e moedas acuñadas por Publio Carisio (quen fora legado do primeiro emperador Octavio Augusto durante as Guerras Cántabro-Astures) entre o 25 e o 22 a.C. para pagarlles aos lexionarios que participaban nas campañas bélicas. O terreo atópase afectado nestes momentos por un plan de repoboamento forestal que -de levarse a cabo- danaría de maneira irreversible este sitio arqueolóxico de grande relevancia para a historia de Galicia Estes achados sitúan a construción do campamento romano de Penedo dos Lobos nun horizonte cronolóxico anterior ao cambio de era e posiblemente coetáneo ás Guerras Cántabro-Astures, coas que o Imperio romano rematou a conquista de Hispania. Ata o momento, numerosos especialistas consideraban que a zona de Galicia estivera á marxe do conflito. O equipo de investigación a "gran relevancia histórica" da descuberta realizada, que permite coñecer os inicios da romanización neste territorio. Aínda que non é posible polo momento determinar cal era a misión do continxente militar instalado en Penedo dos Lobos, os achados dos últimos anos redefinen o coñecido sobre esta época e axudan a contextualizar unha presenza militar romana no noroeste máis ampla e diversa do coñecido ata o momento. O colectivo romanarmy.eu comunicoulle en febreiro de 2007 á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta a existencia do campamento romano. Porén, durante a intervención arqueolóxica tívose coñecemento de que o terreo se atopa afectado nestes momentos por un plan de repoboamento forestal que -de levarse a cabo- danará de maneira irreversible este sitio arqueolóxico de grande relevancia para a historia de Galicia. Trátase dun dos recintos militares de campaña mellor conservados do noroeste peninsular, como xa salientou o equipo a pasada semana. Entre outras cousas, conserva as catro entradas orixinais de entrada ao recinto e case a totalidade do perímetro da muralla defensiva, en boa medida por ter sido construído con pedra (cando o habitual era empregar materiais máis perecedoiros) e tamén polo carácter illado do xacemento. O campamento fora descuberto por un veciño da comarca, Rubén F. Lorenzo Pérez, quen comunicou ao colectivo romanarmy.eu a existencia dun recinto de alta montaña de peculiares características. O reconto atópase moi preto da Estación de esquí de Cabeza de Manzaneda e foi tradicionalmente unha zona de pastoreo con vexetación que dificultaba a súa identificación. O seu tamaño -2,34 has- defíneo como un campamento de reducidas dimensións con capacidade de acoller ata mil soldados. Penedo dos Lobos foi ocupado durante un período curto de tempo, aínda que os especialistas consideran que podería non corresponderse tanto a un campamento de marcha –construído para descansar durante unha ou dúas xornadas- como a un campamento estacional, que servise durante un período máis prolongado de tempo (semanas ou incluso un mes) a un continxente militar romano cunha misión específica que aínda se descoñece. Difusión pública da investigación Durante moito tempo considerouse que as zonas da actual Galicia e norte de Portugal ficaron alleas ás campañas militares da conquista romana, que se terían desenvolvido case exclusivamente en Asturias, León e Cantabria. Algo que os novos achados comezan a cuestionar A intervención arqueolóxica no Penedo dos Lobos foi retransmitida diariamente a través de Internet por parte do colectivo romanarmy.eu, mediante vídeos en directo e formatos innovadores de comunicación científica. Así mesmo, realizáronse visitas guiadas ao sitio tanto con integrantes dos campamentos xuvenís de Cabeza de Manzaneda como abertas ao público xeral, con numerosa presenza de público, e tamén unha charla informativa, o sábado pola tarde. A campaña arqueolóxica rematou o pasado sábado e está promovida polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, o concello de Manzaneda, e máis o Grupo de Investigación Síncrisis do Departamento de Historia da USC. O colectivo de investigación romanarmy.eu reúne a un conxunto de arqueólogos profesionais, investigadores e profesores universitarios das universidades de Santiago de Compostela, Oviedo, Minho (Portugal), Durham, Exeter, Edinburgo (Reino Unido) ou Leiden (Holanda), que estudan a presenza do exército romano no noroeste da península ibérica, poñendo énfase nos episodios de conquista e invasión que remataron co dominio romano efectivo de toda Hispania nos tempos do emperador Octavio Augusto. Nos últimos anos, o colectivo está a localizar numerosos campamentos romanos, ata agora inéditos, no territorio da antiga Gallaecia, ofrecendo unha nova visión sobre a presenza das lexións romanas neste territorio. Durante moito tempo considerouse que as zonas da actual Galicia e norte de Portugal ficaron alleas ás campañas militares da conquista romana, que se terían desenvolvido case exclusivamente en Asturias, León e Cantabria. Algo que os novos achados comezan a cuestionar. Web de romanarmy.eu
NOS_36930
Os cambios meteorolóxicos bruscos que estamos a vivir no país están a afectar a moitos sectores da economía, sendo un dos máis prexudicados o da viticultura. A necesidade de adiantar a vendima, a falta de man de obra, a recente seca ou as actuais chuvias son algúns dos atrancos que o mundo da uva tivo, e aínda ten, que superar, segundo a Asociación Galega de Viticultura (AGV).
Ante esta situación, Roberto Rivas, presidente da AGV e socio fundador da adega Viña Moraima, pertencente á denominación de orixe Rías Baixas, explica a Nós Diario as dificultades que os viticultores e viticultoras galegas están a encontrar este ano. "Até a sexta feira do 2 de setembro tiñamos o problema de que a uva estaba moi deshidratada e pesaba pouco" debido á seca. O adianto da vendima deste ano, que nalgúns lugares da Galiza xa comezou a finais do mes de agosto e noutros a primeira de setembro, debeuse a que "este foi un verán moi cálido", segundo indica Rivas. A seca obriga a Ribas de Sil a abastecer algunhas parroquias con camións cisterna "As altas temperaturas provocaron que a uva chegara a uns parámetros óptimos en canto á maduración alcólica e á maduración fenólica", é dicir, aquela relacionada cos aromas do viño resultante, pero "non en canto á cantidade de auga", que resultaba escasa. É por este motivo polo que as uvas deste ano non só resultan máis pequenas senón que "están máis pasificadas" dada a falta de auga, sostén Rivas. As principais adegas galegas prevén perdas de entre 5% e 10% con respecto ao ano pasado debido á seca. Cambios meteorolóxicos Aínda que as actuais chuvias que segundo as previsións continuarán varios días, poden parecer positivas para as colleitas, dada a persistencia da seca no verán, se se estenden no tempo poden ser prexudiciais para a uva. "Cando comezou a chover iluminóusenos a cara, pero agora empezamos a asustarnos ao ver que a chuvia aínda vai durar", explica Rivas. A nación dos mil viños: Bos viños de boas uvas O presidente da AGV comenta que as chuvias prolongadas poden provocar que "a uva rache ao absorber demasiada auga". O exceso de auga tamén pode provocar enfermidades no produto como a botrite (Botrytis cinerea), un tipo de fungo patóxeno que afecta a diversos vexetais como os amorodos ou, especialmente, as uvas. O "contacto continuo coa auga provoca que apareza este fungo e que a uva podreza". Estes fenómenos meteorolóxicos debidos ao cambio climático tamén favorecen a aparición dun maior número de pragas que afectan os cultivos. Ademais, as condicións de traballo tamén empeoran; "hai que aprender a traballar neste novo contexto climático e afacernos ás xeadas tardías, sarabias a destempo" ou demais situacións, como explica Rivas. "Hai que aprender a traballar neste novo contexto climático e afacernos ás xeadas tardías e ás sarabias a destempo" Outro dos problemas cos que se atopa o mundo da viticultura en tempo da vendima é a escaseza de man de obra que se debe, segundo informa Rivas, a dous factores. Por unha parte, este ano influíu "o adianto do curso escolar" pois moitas das persoas que traballan na vendima son estudantes. José Luis García Pando: "A principal fortaleza dos viños galegos é a súa calidade" Por outra parte, existen diversos problemas coas axudas aos vendimadores e vendimadoras. "Non pode ser que unha persoa que vai vendimar dous días e teña unha axuda por ese traballo, atope problemas fiscais por esa axuda o resto do ano". Medidas a tomar Segundo Rivas, as Administracións Públicas non están a tomar as medidas necesarias para axudar o sector, e explica que "o último grande invento da Consellaría (de Medio Rural) foi crear un teléfono para que nos denunciemos uns viticultores a outros, ou unhas adegas a outras, se sospeitamos da existencia dunha fraude", e engade que "iso é a punta do iceberg de que non se lexisla pensando no sector que, nestes momentos, é un dos que realmente tira para arriba o medio rural galego". Rivas conclúe que "quen ten as obrigas do control sobre as adegas e os viticultores, a Consellaría de Medio Rural, ten que facer o seu traballo". "Iso é a punta do iceberg de que non se lexisla pensando no sector que, nestes momentos, é un dos que realmente tira para arriba o medio rural galego" O que máis urxe, segundo o presidente da AGV, é a elaboración de contratos homologados para "estabilizar o prezo e non depender da meteoroloxía". Tamén cómpre "ter coidado co acaparamento de terras que se está a producir por parte de operadores de fóra para crear plantacións ou adegas", o que "pode influír no noso sector".
NOS_3966
Por outra parte, hai un total de 51.000 sociedades sen actividade.
A Galiza rexistra 3.361 empresas 'zombis' e un total de 51.433 compañías que non teñen actividade comercial e que, ademais, non publican as súas contas. As 3.091 empresas 'zombis' representan 7,2% do total das que hai no Estado español mentres que as sen actividade son 4,1%. Que é unha empresa 'zombi'? A OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos) define as empresas 'zombis' como as empresas de máis de 10 anos de existencia e que non cobren a súa carga de intereses co seu excedente bruto de explotación durante polo menos tres anos consecutivos. É dicir, que non son quen de cubrir os gastos financeiros cos seus resultados. Rexistro mercantil A isto engádese as empresas rexistradas no Rexistro Mercantil, que non desenvolven actividade comercial e que, ademais, non publican contas. Máis de 51.000 na Galiza. Por sectores, construción e actividades inmobiliarias e o de comunicacións son os que acumulan unha maior cantidade de 'empresas zombis', que non poden cubrir os seus gastos cos seus ingresos, con 19% e 18% do total, en particular aquelas que se dedican á actividade inmobiliaria e a informática. Comercio é o seguinte, cun 17%. 793 comercios retallistas fecharon en 2021 Os sectores con menor número de compañías nesta situación son administración (0,03%), industrias extractivas (0,36%), educación (1,43%), e sanidade (1,61%). En hostalaría atópase 4%, case todas na rama de servizos de aloxamento. As microempresas supoñen 91% das empresas 'zombis' detectadas e son máis numerosas nas actividades inmobiliarias e informáticas. Microempresas As microempresas, aquelas mercantís con menos de 10 traballadoras e traballadores, son ampla maioría no tecido empresarial da Galiza. Segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), de 245.660 compañías con enderezo social na Galiza, 167.160 carecen de persoal asalariado.
NOS_42253
O debate de política xeral comeza coa intervención de Artur Mas. A sexta feira aprobarase a Lei de Consultas.
O Parlament de Catalunya inicia esta segunda feira a súa semana máis decisiva co eco aínda das case dúas millóns de persoas que encheron Barcelona na Diada máis reivindicativa. O debate de política xeral comezará cunha intervención de Artur Mas e a semana política catalá finalizará a sexta feira coa aprobación da Lei de Consultas. O debate de política xeral marca o inicio do curso político en Catalunya. Vai ser o cuarto para Artur Mas, o segundo desta lexislatura. O president explicará como vai encarar o goberno catalá este mes e medio que fica para a consulta do 9N así como cuestións máis centradas na economía e na corrupción. Após a intervención de Mas esta segunda feira suspenderase a sesión, que vai se reanudar mañá coa intervención de todos os grupos parlamentares, en orde minguante de representación. Oriol Junqueras (ERC), Miquel Iceta (PSC), que fará a primeira intervención como presidente do grupo nun debate de política xeral, Alícia Sánchez-Camacho (PP), Joan Herrera (ICV-EUiA), Albert Rivera (Ciutadans), David Fernàndez (CUP) e Jordi Turull (CiU).
NOS_5591
É a cifra á que ascende o recorte total na cobertura das necesidades destas persoas, 4,5millóns no nivel mínimo e 17 na partida total, para alén de que as pagas das coidadoras familiares se rebaixan un 15%, e as traballadoras perderán a Seguridade Social
"Non temos nada de que nos avergoñar. Podemos saír de aquí coa cabeza ben alta". Díxoo o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, o mesmo día en que o BOE --Boletín Oficial do Estado-- quitaba á luz a letra pequena dos recortes anunciados no Congreso e na rolda de prensa após o Consello de Ministros da sexta feira. Rajoy cargou contra "a herdanza" do Executivo anterior, do PSOE, e gabouse ao sinalar que el traballa "en beneficio dos que aplauden, dos que calan e incluso dos que protestan, sen atender a consideracións partidistas". Ese traballo "en beneficio" da cidadanía tradúcese, na práctica, nunha machetada aos dereitos sociais amparada nunha motivación ideolóxica. Así, após revisármos polo miúdo o disposto no BOE, a folla de ruta trazada desde Madrid para a Lei de Dependencia reduce as prestacións á nada: @ dependente pagará o 90% da súa atención, ao tomar en conta para os cálculos non só a renda, senón tamén o 5% do valor catastral da vivenda. Ademáis, o orzamento destinado ao nivel mínimo redúcese nun 13% respecto deste ano, polo que, tal e como adiantamos na fin de semana, os territorios recibirán 200millóns de euros menos --menos orzamento para uns gobernos que non poderán endebedárense--, que na Galiza se traducirán nun recorte de 4,5millóns. Hai máis. A partida total prevista para o noso país nesta materia estaba fixada para 2012 en 360millóns, dos que o Executivo español pagaría 97 e o galego poría o resto. Porén, os Orzamentos Xerais do Estado o que recollen son 283millóns, polo que o estado aportará 17millóns menos. En total, a baixada no financiamento será de 21,5millóns nun territorio onde viven máis de 100.000 persoas en situación de dependencia. A lista de espera supera as 40.000 persoas, isto é, as que non cobran a axuda. Delas, a metade teñen diagnosticada unha dependencia severa --grao III-- ou moderada --grao II--. Máis cifras: as pagas das coidadoras familiares rebáixase un 15%, e as traballadoras perderán a Seguridade Social porque o Goberno deixará de lles pagar a cotización a partir do 31 de agosto. Desde o 1 de setembro terá unha bonificación do 10%, e xa para o 2013 terá que afrontar a totalidade da cuota se quere seguir cotizando. Son 15.000 afectadas no noso país, a meirande parte mulleres, e hai outras 7.500 persoas que exercen oficialmente como coidadoras, sendo familiares; o 95% son mulleres. Reaccións de BNG e PSOEA pesar dos números, a cobertura das necesidades das persoas dependentes non preocupa en San Caetano. A titular de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, declarou para unha axencia de noticias que a prestación non periga para quen está xa dentro do sistema, e para @s nov@s unicamente recoñece que o ritmo de atención se verá ralentizado. Diante do panorama, BNG e PSOE fixáronse nesta póla dos recortes, unha das máis preocupantes das que afectan aos dereitos sociais. Así, a deputada nacionalista no Congreso, Olaia Fernández Dávila, solicitou a comparecencia urxente da ministra de Sanidade e Asuntos Sociais, Ana Mato, para que informe "da práctica suspensión" do desenvolvemento da Lei, para alén do "total desamparo e desprotección" en que van quedar as persoas coidadoras e as propias dependentes. "Milleiros de galegos morrerán agardando" por unha prestación, remarcou a voceira do PSOE en materia de Sanidade na Cámara baixa, Laura Seara. Sinalou como efectos inmediatos da reforma que "a algunhas persoas se lles rebaixará o grao xa recoñecido e outras serán directamente expulsadas do sistema", indicou a parlamentar do PSOE. Pola súa banda, Dávila enfatizou que as medidas do PP "incentivan a privatización dos servizos". Insistiu a deputada nacionalista en que a decisión de dar de baixa na Seguridade Social ás 'coidadoras informais', e alertou de que "toda esta merma" redundará na eliminación de servizos públicos ás persoas dependentes, menos prazas nos centros de día e un "empeoramento" da situación destas persoas. Concluíu Dávila que a situación supón "a morte do terceiro cimento do estado do benestar".
PRAZA_9328
Son escasas as ocasións nas que, como dirixente de primeira liña, o presidente da Xunta secundou unha mobilización como a do pasado domingo. Entre outras razóns, porque en case 28 anos de vida pública, apenas catro estivo na oposición
A vida política de Alberto Núñez Feijóo non inclúe moitas manifestacións. Son escasas as ocasións nas que, como dirixente político de primeira liña, o actual presidente da Xunta se puxo por tras dunha pancarta para combater unha decisión dun Goberno. Entre outras razóns, porque dos case vinte e oito anos que xa transcorreron dende que accedeu por primeira vez a un cargo gobernamental por designación do PP, en xullo de 1991 -efémero secretario xeral da Consellería de Agricultura, para pasar tres meses despois ao mesmo posto en Sanidade-, menos de catro -do 4 de agosto de 2005 ao 17 de abril de 2009- deles estivo na oposición. Ese fenómeno inusual volveu acontecer o pasado domingo en Madrid, trece anos despois da súa anterior manifestación equiparable, cando secundou a mobilización da dereita contra Pedro Sánchez.Son escasas as ocasións nas que, como dirixente de primeira liña, o presidente da Xunta foi a unha mobilización como a do pasado domingo; entre outras razóns, porque en case 28 anos de vida pública, apenas catro estivo na oposiciónComo alto cargo dos gobernos galegos de Fraga (1991-1996 e 2003-2005), dos gobernos españois de José María Aznar (1996-2003) ou do seu propio goberno na Xunta, Feijóo acudiu a numerosas concentracións en solidariedade coas vítimas de catástrofes naturais ou da violencia machista, así como minutos de silencio por vítimas do terrorismo ou outros acontecementos tráxicos. No entanto, para atopar na biografía política de Feijóo unha manifestación de claro matiz partidario como a que PP e Ciudadanos celebraron co apoio da formación de extrema dereita Vox o pasado domingo en Madrid cómpre remontarse case trece anos.Feijóo non se manifestaba cun ton como o do pasado domingo, concretamente, dende o 18 de setembro de 2006. Non en van, na manifestación máis recente á que acudira a cúpula do PPdeG, hai dez anos contra o daquela vixente decreto do galego no ensino, Feijóo non estivera por estar de viaxe en América. Case o mesmo que estivo a piques de acontecer coa marcha nacionalista do domingo en Madrid, aínda que finalmente o PP anunciou un cambio na axenda institucional do presidente, que regresou da súa visita oficial aos Estados Unidos antes do previsto para participar na protesta contra Sánchez, onde o seu partido lle deu un lugar destacado en varias imaxes xunto a Pablo Casado.O 'Nunca Máis' do PPNaquela xornada de setembro de 2006 os aparellos dirixentes do PP galego e estatal concentraron os seus esforzos para botarse ás rúas de Santiago baixo o paraugas de Sós Contra o Lume, plataforma presidida polo daquela alcalde popular de Barro, José Antonio Landín. Co oficialmente presentado como colectivo de afectados polos incendios forestais daquel ano, os peores en dúas décadas o PP pretendera exercer contra PSdeG e BNG unha caste de vinganza política pola erosión que para os seus intereses electorais tivera a Plataforma Nunca Máis, contra a que se dirixiran boa parte dos cánticos na xornada.Berros contra Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana e Alfredo Suárez Canal, sentados nunha parada de autobús calcinada na imaxe que amosaba unha das pancartas da protesta, marcaran unha manifestación na que os principais protagonistas políticos foran Feijóo e mais Mariano Rajoy. Mentres ambos atendían á prensa, de fondo ecoaban cánticos contra os "titiriteiros" e consignas que atribuían a Touriño, Quintana e Suárez Canal os catro falecementos acontecidos durante a vaga de incendios.Douscentos cargos do PPdeG contra a PolicíaApenas tres meses despois de perder a Xunta o PPdeG enviou uns 200 cargos públicos ao Parlamento para protestar pola cancelación de obras que Fraga aprobara en plena campaña; alí deran en rachar o cordón policialAquela manifestación contra o Goberno de coalición de PSdeG e BNG a conta da política forestal chegaba menos dun ano despois doutra, á que Feijóo acudira en novembro de 2005 aínda como vicevoceiro parlamentario do PPdeG que tivera que deixar a Xunta apenas tres meses antes. Foi, concretamente, o 24 de novembro de 2005 cando o PPdeG enviou uns douscentos cargos municipais do partido ao Parlamento para protestar pola anulación de 247 obras en concellos rurais que o Goberno de Fraga comezara a tramitar en plena campaña electoral. Nunha imaxe ata ese momento inédita os representantes do PP premeran no cordón policial que blindaba o acceso ao Pazo do Hórreo ata lograr rachalo e, sen chegar a entrar no edificio, manifestáronse no interior do recinto parlamentario. No medio dunha gran tensión boa parte do grupo parlamentario popular abandonara o pleno que se estaba a celebrar para solidarizarse cos seus compañeiros de partido e, xa na rúa, manifestarse contra a Xunta. Como amosa a imaxe publicada daquela polo xornal El País, un dos cargos que dera en coller a pancarta fora Feijóo.
PRAZA_1343
Alexandra Krasopoulou, do secretariado de Syriza en Tesalónica e o presidente do sindicato da compañía pública de augas, Georgios Archontopoulos, narran en Compostela as tensións ás que o goberno grego subsiste cada día
Alexandra Krasopoulou, do secretariado de Syriza en Tesalónica e o presidente do sindicato da compañía pública de augas, Georgios Archontopoulos, narraron en Santiago de Compostela, nun acto organizado por Compostela Aberta e a Alternativa Galega de Esquerda en Europa, as tensións ás que o goberno grego subsiste cada día. O deste venres era un día importante, pois o primeiro ministro heleno, Alexis Tsipras, debía levar unha resposta a Europa sobre a negociación cos seus acredores. A proposta final dos socios europeos non gusta en Atenas. Así, Tsipras pediu agrupar e retrasar os seus pagos ao FMI, que suman uns 1.500 millóns ao longo deste mes. Grecia tiña que satisfacer o venres un primeiro vencemento de 300 millóns, pero ante as súas dificultades de tesourería farao, finalmente o 30 de xuño. Á súa volta de Bruxelas, Tsipras afirmou que a proposta dos socios era "irreal e absurda". De todo isto deron conta Krasopoulou e Archontopoulos, presentados por Concha Fernández, concelleira eleita de Compostela Aberta e a carón da eurodeputada Lidia Senra, que afirmou que a "verdadeira batalla do pobo grego é agora, e é preciso todo o apoio internacional, desde a esquerda e desde os nosos pobos". Krasopoulou comezou a súa intervención agradecendo aos "camaradas" a súa presenza no acto e apelou á solidariedade co pobo grego. "O capitalismo fallou moitas veces ao longo da historia e non pasou nada, e parece que neste século a democracia, a xustiza e o socialismo só van ter unha oportunidade, e isto é moi inxusto, unha lousa ás nosas costas", reflexionou a representante de Syriza. Doutrina do shock "Empezamos coas cinsas que deixaron os nosos predecesores", afirmou Krasopoulou, "despois de moitas negociacións pedimos tempo para implementar as nosas medidas, para que a xente vise o que pode facer a esquerda, xente que, por certo, non votou pola ruptura coa Unión Europea". "A solución para Grecia non é ténica ou financieira: é, fundamentalmente, política" "Para comezar Bruxelas aplicounos a doutrina do shock, mandouse un dosier con propostas razoables, e todo era que non", continuou a helena, "entón despois do shock nós queremos enfatizar nunha cuestión fundamental: a solución para Grecia non é ténica ou financieira: é, fundamentalmente, política". "Bruxelas aplicounos a doutrina do shock, mandouse un dosier con propostas razoables, e todo era que non" "Nós levabamos unha proposta cunhas liñas vermellas, e os acreedores, simplemente esmagárona", dixo Krasopoulou. Ao fío disto engadiu que "Juncker afirmou que Grecia está en situación de crise humanitaria, pero ao mesmo tempo pide máis recorte de salarios e novas subas na factura da luz, como casa isto? como imos facer isto cun millón de desempregados?". "A nosa postura é clara", sentenciou a grega, "sabemos o que é a negociación, pedimos mínimos, non o programa ao completo de Syriza, porque iso é unha negociación, dous pasos adiante e medio atrás, pero botárono todo pola borda. Nós respectamos a UE, pero a cambio pedimos que os acreedores respecten o mandato do pobo grego, que é un mandato contra a austeridade". Nun ton duro a membro do secretariado de Syriza en Tesalónica afirmou que "se pensan que imos renunciar a este mandato, están equivocados. E se temos que volver preguntarlle á sociedade ata onde podemos chegar, farémolo. Porque nós non chantaxeamos a ninguén, pero tampouco deixamos que nos chantaxeen". "Nós respectamos a UE, pero a cambio pedimos que os acreedores respecten o mandato do pobo grego, que é un mandato contra a austeridade" "Nós non queríamos estar na eurozona", explicou a helena, "pero agora temos que seguir porque senón sería un desastre para as zonas máis desfavorecidas do país. Non temos a Unión Europea como táctica, senón como estratexia, e temos medo do ascenso de grupos noxentos como Amencer Dourado se iso pasase". Sobre as soadas negociacións de Grecia con Rusia, Krasopoulou foi taxativa: "Ninguén pode dicirnos con quen e cando temos que falar, nós somos libres. Melloramos as nosas relacións con Rusia e grazas a iso os nosos agricultores venden onde antes non podían? Si; Seguirémolas mellorando? Tamén; Estamos dinamitando a UE ou a eurozona con isto? Radicalmente non" "Melloramos as nosas relacións con Rusia e grazas a iso os nosos agricultores venden onde antes non podían? Si; Seguirémolas mellorando? Tamén" "Unha cuestión complexa para nós é a dos medios de comunicación", proseguiu Krasopoulou, "porque non temos un só medio da nosa parte, hai apagón informativo das medidas que leva a cabo o goberno. As cousas que nós conseguimos, a victoria que nós conseguimos foi polos movementos sociais e a base de ir barrio por barrio falando coa xente". Quen son os porcos? "Un dos mellores aliados cos nosos adversarios, porque si, porque xa hai que chamarlles así, é Rajoy, porque sabe que se cunde o exemplo grego, España é o seguinte país no que se poderá levar a cabo unha revolución contra a austeridade ", comezou a súa alocución Archontopoulos. "Portugal, Italia, Grecia e España, os PIGS, chámannos, e eu pregúntome quen é o porco aquí" "Portugal, Italia, Grecia e España, os PIGS, chámannos, e eu pregúntome quen é o porco aquí", sentenciou o sindicalista. "Ao chegar aquí vin a noticia dun desafiuzamento no Estado Español e como a policía botaba a unha familia da súa casa... Que Europa é esa? Quen son os porcos?", preguntouse o grego. "Agora as revolucións xa non se fan a punta de pistola, a guerra é nos medios de comunicación, e bombardéannos, cada día, con que se imos saír do euro, que se volveremos ao dracma, hai que ver que pasa, pero eu, de momento, no meu peto teño euros", sinalou Archontopoulos. "Non quero contarvos todo o malo que pasa no meu país, pero si me gustaría dicir que estamos aquí para darvos forzas, é moi importante mobilizarse porque parece que pensamos que non podemos facer nada como unha soa persoa, pero si. Eu teño dous fillos, e cando sexan maiores e xa teñan o seu traballo, e me pregunten, papá, ti que fixeches nos anos da gran crise?,quero poder contarlles que eu me manifestei, que falei coa xente, que desafiei ao poder e que intentei cambiar a orde establecida", rematou o sindicalista cunha gran ovación. "Quero poder contarlle aos meus fillos que me manifestei, que falei coa xente, que desafiei ao poder e que intentei cambiar a orde establecida" A necesidade de fondos, sumada con certas tensións internas co polo máis de esquerda de Syriza por algunhas concesións aos acreedores, combínanse nun panorama explosivo no que semella que gaña terreo a posibilidade dunha nova convocatoria de eleccións, que lle permitiría a Syriza, no caso de mellorar o resultado, exercer maior presión sobre os socios europeos. Hai quen mesmo apunta ao 28 de xuño, é dicir, dous días antes de que venza a prórroga do segundo rescate, do que quedan por percibir 7.200 millóns, supeditados a asinar un acordo cos socios, e tamén o prazo para pagar ao FMI os 1.600 millóns que Grecia lle adebeda en xuño, tras agrupar todos os pagos do mes.
QUEPASA_919
As mulleres da Costa da Morte protagonizaron unha nova mobilización histórica polo 8M.
Ademais das grandes mobilizacións de Cee e Carballo, a Costa da Morte viviu outras citas reivindicativas. Por Camariñas postulábase como epicentro comarcal para facer a manifestación comunal da tarde, pero a "contraprogramación" doutros veciños da zona así como a chuvia, impediu conseguir facer unha cita das que marcan unha época. En todo caso, a participación das mulleres de Camariñas foi masiva, e poucas quedaron na casa. Ademais en Vimianzo se viviu tamén unha importante xornada de protesta, cunha manifestación animada por batucada e as pandeiretas. Un sentido manifesto deu fin á xornada reivindicativa. Tamén en Laxe fixeron historia. Achegáronse ao peirao pequeno para protagonizar un acto simbólico e deixar claro que tamén se mollan pola igualdade, con lectura de manifesto pola veciñanza. Manifesto #Eumóllome en Laxe NO 2018 FIXEMOS HISTORIA: Milleiros de persoas sumáronse ás mobilizacións e ó paro internacional de mulleres, DEMOSTRÁNDOLLE Á SOCIEDADE QUE SE AS MULLERES PARAMOS, O MUNDO PARA!Hoxe, no Día Internacional das Mulleres, 8 de marzo, hai que seguir apostando firmemente pola defensa dos nosos dereitos, a liberdade e a seguridade das mulleres, así como polas políticas de igualdade como instrumento para mellorar, non só as vidas das mulleres, senón de toda a cidadanía.O feminismo é a IGUALDADE de homes e mulleres, esa debe ser a nosa loita: a IGUALDADE. Debemos estar comprometidas e comprometidos co cambio social que impulsa o feminismo. Non poderá haber verdadeira transformación senon se conta de maneira esencial coas mulleres, coa súa participación e contribución. Por iso a igualdade debe ser o principio, a bandeira e un asunto transversal nas nosas axendas, marcando un antes e un despois nas políticas. Non imos tolerar nin un só retroceso.Os dereitos das mulleres non se negocian. NINGÚN PASO ATRÁS NOS NOSOS DEREITOS! As mulleres sufrimos discriminación en todos os ámbitos. Pero é no laboral onde se produce unha das maiores desigualdades que viven as mulleres, pois sen independencia económica, non hai liberdade.Temos que se seguir loitando contra a brecha salarial, a maior precariedade, así como contra a discriminación no acceso ao emprego e a promoción profesional. Na desigualdade entre sexos está a raíz da violencia de xénero que no noso país acabou coa vida de case 1000 mulleres en 15 anos, 1000 mulleres en 15 anos, dende 2003, ano no que se comezan a contabilizar os asasinatos machistas.Aí está a nosa responsabilidade como sociedade, deter esta barbarie. Para acabar con ela tamén son necesarios instrumentos específicos, como a Lei de Violencia de Xénero, que foi pioneira en Europa. Tentar confundila coa doméstica é devolvela ao espazo privado, invisibilizando o seu carácter machista, en lugar de considerar a protección das mulleres e os seus fillos e fillas un asunto de toda a sociedade.Para calquera Goberno, a violencia de xénero debería ser a principal cuestión do noso país. As leis deben ir acompañadas de orzamentos. Sen cartos, as políticas só son declaracións de intencións, papeis mollados que non se poden facer realidade.Por iso EU HOXE MÓLLOME E PÍDOCHE QUE TE MOLLES CON NÓS, QUE TE IMPLIQUES, QUE CAMIÑES CARA A IGUALDADE PLENA. Porque é unha responsabilidade nos interpela individualmente, a cada un e cada unha de nós, e á sociedade.E que tamén obriga a todas as Administracións, desde a estatal até a local. Este 8M de 2019, as mulleres e homes saímos ás rúas porque a pesar das conquistas, aínda persisten discriminacións. E hai quenes cuestionan o feminismo tentando devolvernos ao pasado.O FEMINISMO RECLAMA IGUALDADE, O MACHISMO RECLAMA A SUPERIORIDADE DO HOME. NON SON TERMOS OPOSTOS EU MÓLLOME, porque cando as mulleres avanzan, avanzas ti, a túa filla, o teu fillo, a túa nai, o teu pai... PORQUE CANDO AS MULLERES AVANZAN, TODA A SOCIEDADE E A DEMOCRACIA AVANZA. Entrevistas 8M Jenifer Suárez: "Gustaríame que o meu fillo aprendese de min o oficio de mariñeiro e seguise coa tradición familiar". Susana Salgado, unha empresaria muller no sector da Construción da Costa da Morte. Viki Rivadulla: "Bruxa fala do empoderamento feminino e a sororidade como ferramentas para loitar contra a violencia". Marta Doviro: "Fai falta incrementar a presenza de mulleres en departamentos coma o de Guión, Son, Iluminación e Dirección". Artigos 8M Mulleres da Buserana: Unha Folga común polo 8 de marzo. Marisol Soneira: A igualdalde que hai que gañar cada día. Fátima Rodríguez: Non é violencia de xénero, o feminismo non me representa: Feminismo Liberal. Viki Rivadulla: 8M, conxuro polo empoderamento. Novas do 8 de marzo Guía #8M: Un Día da Muller de folga, concentracións e numerosas actividades de igualdade. Máis novas Novembro 18: As Buseranas pechan un histórico 2018 na loita feminista na Costa da Morte. Marzo 18: Como secundou a folga feminista a Costa da Morte. Marzo 18: 8 de marzo: A Costa da Morte saíu á rúa con máis forza que nunca. Viki Rivadulla: 25N: Isto tamén vai contigo.
NOS_15887
"Xa podiamos ter coidado e que as luces apuntasen cara abaixo e non para arriba, porque os cativos teñen dereito a ver as estrelas. E dalgún xeito temos que conxugar as dúas cousas". Así respondeu o ministro en funcións de Ciencia, Pedro Duque, a preguntas sobre as luces de Nadal durante a súa visita a Vigo esta quinta feira.
Pedro Duque alertou do exceso de luz artificial na cidade de Abel Caballero, cuxa iluminación de Nadal é unha das actuacións das que máis presume o alcalde. Mais a chamada contaminación lumínica está a entrar no debate público e a ela parecía remitir Duque cando advertiu de que as luces da rúa no Estado español son "inifinitamente máis potentes" que en Inglaterra ou Alemaña. O ministro en funcións solicitou "coidado" á hora de instalar iluminación adicional nas urbes. Hai unhas semanas, porén, o rexedor de Santiago de Compostela Xosé Sánchez Bugallo anunciaba que dobraría o orzamento dedicado a adornar con luces as rúas durante o nadal.
NOS_16412
A responsábel da carteira de Educación no Goberno Español entende que a eliminación deste elemento de protección non debe ser inmediata cando comece o novo curso, cuxa planificación de seguridade está xa en marcha após a reunión mixta do seu departamento, Sanidade e os distintos territorios na xornada de onte.
O debate sobre a posibilidade de deixar de usar máscara en espazos abertos en cuestións de semanas comezou estes días da man do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e do director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias Fernando Simón. No entanto, a ministra de Educación, Isabel Celaá non ten claro que iso vaia ser posíbel no regreso ás aulas. De cara á preparación do próximo curso, coas súas medidas hixiénicas e de seguridade fronte á pandemia da Covid-19, as distintas administracións comezaron unha rolda de encontros de traballo esta cuarta feira. Xa despois de analizar polo miúdo o falado, Celaá advertiu de que en setembro haberá máscara nas escolas e no resto de centros educativos malia que as limitacións sexan máis febles no verán nos espazos abertos. "Non sería o primeiro que quitaría", destacou a pesar de que, segundo afirmou, a intención do Goberno español e que as e os estudantes de 12 a 16 anos estean vacinados en setembro. En calquera caso, o protocolo no que se avanzou onte vai ser "dinámico" e adaptábel ás circunstancias epidemiolóxicas que haxa en cada momento. O que si confirmou é que o obxectivo vai ser a "presencialidade total" da comunidade educativa toda vez que se reducen as distancias que hai que gardar de 1,5 metros a 1,2 metros. A ministra aproveitou o informe que presentou o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, sobre a España de 2050 para recoñecer que a educación ten que mudar, agora máis se cabe pola advertencia que deu o virus. "Hai que incorporar novas metodoloxías, grupos móbiles nas aulas, os pupitres non poden estar ancorados ao chan e debe haber grupos diferentes que traballen a ritmos distintos", incidiu.
NOS_48550
O sector independentista de UDC, satisfeito cunha decisión do Consell Nacional que "admite por vez primeira a independencia como unha opción propia".
Unió Democrática de Catalunya (UDC) dá liberdade de voto á súa filiación para a segunda pregunta da consulta do 9N ("Quere que Catalunya sexa un estado independente?"), unha decisión que supón por primeira vez que o partido demo-cristiano admite a independencia como unha opción propia, afirma o sector máis soberanista. O Consell Nacional extraordinario que decorreu este domingo prolongouse durante máis de tres horas e no mesmo producíronse máis de medio cento de intervencións. "Un debate apaixonante, vivo mais sen tensión", apontan desde medios como Vilaweb ou Nació Digital. Este último, ademais, destaca que Durán i Lleida "non abriu a boca". "Non nos deixan outra opción" Deste debate saiu a postura de UDC: defender a consulta e o si na primeira das preguntas ("Quere que Catalunya sexa un estado?"), dando liberdade de voto na segunda. O sector independentistas está máis que satisfeito, pois supón que "se vai poder facer campaña polo Si-Si". Segundo Nació Digital, mesmo cargos importantes de Unió como Núria de Gispert (presidenta do Parlament) defenderon no debate o Si Si porque "se ben non son independentista, (o Estado) non nos deixa outra opción". Unha liña na que tamén incidiría Joan Rigoll (ex-president do Parlamento e coordinador do Pacte Nacional pel Dret a Decidir)
PRAZA_12415
O Goberno central inicia os trámites da primeira Lei de Transparencia con rango estatal, con penas de inhabilitación de ata dez anos para os gobernantes que "malgasten". As autonomías terán que facer público contratos, convenios e salarios e outros datos que a Xunta xa amosa dende 2006. As medidas de transparencia no afectan, en ningún caso, á Casa Real.
Segue a gañar a banca. O Goberno central vén de poñer en escena, a través dun informe coñecido polo Consello de Ministros, a primeira Lei de Transparencia con rango estatal, unha norma que suporá un notable avance en materia de acceso á información manexada polo Goberno de España e por moitas autonomías cuxa xestión se caracterizou historicamente pola súa opacidade. En Galicia tamén se abrirán un chisco máis as fiestras de San Caetano, se ben boa parte dos preceptos que a vicepresidenta Soraya Saénz de Santamaría anunciou este venres xa son unha obriga para a Xunta dende a aprobación en 2006 da Lei de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega. Pero, á marxe desa mellora na publicidade dos datos manexados polas administracións, a nova normativa traerá consigo un notable endurecemento das xa restritivas políticas anti déficit do gabinete de Mariano Rajoy. A propia Santamaría recoñece que o plan é "duro" e, en síntese, podería derivar en que un conselleiro ou un presidente autonómico poida rematar sancionado ou mesmo inhabilitado se non ten no control ríxido das cifras no cerne das súas preocupacións. Se a Xunta ingresa máis do que gasta e decide investir o superávit en infraestruturas ou gasto social e non en débeda, haberá sanción Se ben o texto íntegro da lei non será público ata o vindeiro luns, cando se abrirá un período de exposición pública de quince días para que a cidadanía faga achegas, dende La Moncloa xa chegan algunhas pistas que permiten afirman que, dende a entrada en vigor da norma -previsiblemente, no outono-, autonomías, concellos e o propio Goberno central terán que exercer o seu labor cun ollo posto nos bancos. Isto acontecerá porque, no "código de bo goberno" incluído na lei se fai aínda máis ríxida a Lei Orgánica de Estabilidade Orzamentaria, impulsada por Rajoy ao chegar ao poder. O "incumprimento deliberado do nivel de débeda pública" ou a "non formulación dos plans económico financeiros ou de reequilibrio" darán lugar a sancións. Isto que quere dicir? Por exemplo, explica Sáenz de Santamaría, se unha autonomía "ten superávit" e "sen ningún motivo de casos excepcionais -catástrofes naturais ou outro tipo de emerxencias- resulta que gasta e non baixa o nivel de débeda" considerarase que "hai unha conduta deliberada que leva a impoñer unha sanción". Así, por exemplo, se en época de bonanza a Xunta ingresa máis do que gasta e decide investir ese superávit en infraestruturas ou gasto social, a conselleira de Facenda ou o propio presidente, dependendo dos casos, serían sancionados. Nos casos "graves ou moi graves" os gobernantes serán castigados con inhabilitacións de ata dez anos E, cales son esas sancións? Á espera de coñecer o texto íntegro da lei e o seu desenvolvemento regulamentario, dende o Goberno xa se avanza que "a comisión destas infraccións" pode dar lugar dende á "destitución dos cargos públicos", á "non percepción de pensións indemnizatorias", pasando pola "obriga de restituír cantidades indebidamente percibidas", se é o caso ou, nos casos "graves e moi graves", inhabilitación -impedimento para exercer un cargo público- "de entre cinco e dez anos". En todos os casos, as sancións serán ditadas por un organismo "independente", a actual Axencia de Calidade dos Servizos e Valoración das Políticas Públicas. Un 'Portal da Transparencia' polo que non pasará o rei A Casa Real non está afectada pola lei porque "non é unha Administración pública" Mentres no ámbito do férreo control económico esta lei ven afondar na liña dos recortes no contexto da crise o outro gran piar da norma, a transparencia, si trae consigo un avance significativo. Dende o Goberno central aos concellos todas as Administracións terán que pendurar de Internet toda a información relativa aos seus contratos, subvencións, convenios e retribucións de altos cargos, entre outros aspectos -algo que, polo xeral, en Galicia xa é accesible na Rede-. Trátase, explican, de "ampliar os ámbitos subxectivo e obxectivo do dereito ao acceso á información" e, por iso, calquera cidadán poderá reclamar un dato ou documento concreto e deberá recibilo no prazo dun mes. Os únicos límites, asegura o Executivo, serán "a seguridade, a defensa, as relacións exteriores, a seguridade pública ou a prevención, investigación e sanción das infraccións penais, administrativas ou disciplinarias". Con todo, esa "ampliación de dereitos" petará, cando menos, contra unha porta: a da Casa Real, que seguirá sen ter que publicar máis datos dos que considere oportunos. A ausencia de publicidade e, polo tanto, do correspondente réxime sancionador débese, segundo a vicepresidenta Sáenz de Santamaría, a que a institución monárquica "non é unha Administración pública". Así as cousas, as remuneracións do rei e demais membros da súa familia só seguirán sendo públicas se así o ven conveniente. Non acontecerá o mesmo cos gobernos central e autonómico e, moi especialmente, cos Concellos. Cada ano, os Orzamentos Xerais do Estado establecerán un baremo de remuneracións para alcaldes e concelleiros en función de variables como o tamaño dos municipios e as súas "circunstancias socioeconómicas".
PRAZA_10554
Na etapa da coalición de PSdeG e BNG o daquela vicepresidente, Anxo Quintana, chegara a pechar co Goberno de España un paquete de competencias que incluída as bolsas de estudo. O Parlamento vén de aprobar por unanimidade unha década despois unha iniciativa do Bloque que volve reclamala
Eterno retorno. O pasado febreiro o PP permitiu coa súa abstención iniciar o proceso para que o Parlamento volvese pedir ao Goberno de España as competencias en materia de tráfico e seguridade viaria, as mesmas que xa aprobara pedir en 2008 co aval dunha unanimidade que naufragou dous anos despois, ao chegar ao Congreso dos Deputados. Na mesma liña, aínda que cun peso político menor por ser unha decisión non vinculante, o PP vén de acceder a que a Xunta pida ao Goberno central a competencia de xestión das bolsas de estudo, a mesma que o Executivo galego chegou a asinar co Ministerio de Administracións Públicas en tempos da coalición de PSdeG e BNG.Na etapa da coalición de PSdeG e BNG o daquela vicepresidente, Anxo Quintana, chegara a pechar co Goberno de España un paquete de competencias que incluída as bolsas de estudoO 23 de decembro de 2008 o daquela vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, acudiu na súa calidade de responsable das relacións institucionais do Goberno galego á Comisión Mixta de Transferencias Galicia-Estado. Coa delegación estatal encabezada pola daquela ministra de Administracións públicas, Elena Salgado, Quintana rubricara varios acordos sobre transferencias pendentes, entre elas a das bolsas. O propio Goberno de España informara de que este acordo se encadraba no disposto no Real Decreto que, dende 2007, "prevé o traspaso" destas axudas ás comunidades autónomas. Agregaba ademais o "compromiso" de ambos gobernos para adoptar medidas transitorias para "preparar" e culminar a transferencia.Pero esa culminación nunca chegou. Tampouco a das demais transferencias acordadas naquela xuntanza. Non en van, dende 2008 Galicia non recibiu ningunha transferencia nova e, por primeira vez na historia da autonomía, finalizou dúas lexislaturas seguidas sen incremento do autogoberno.Rodil (BNG) resalta que a competencia xa fora pactada en 2008 e subliña que se a Xunta a asume pode axustar aspectos das bolsas como o cálculo dos limiares de renda ou os prazos de pagamento ao estudantadoCon este pano de fondo o BNG defendeu este martes no pleno do Parlamento a través da súa vicevoceira, Olalla Rodil, unha iniciativa para volver reclamar a competencia. A propia Rodil evidenciou durante o debate que a competencia das bolsas de estudo xa fora abordada en 2008 e forma parte do paquete de competencias pendentes que, tras o retorno do PSOE ao Goberno central, a Xunta do PP dixo estar disposta a volver pedir.Cun control directo da xestión de bolsas, sinala Rodil, a Xunta podería axustar as contías das bolsas de estudo a problemáticas e características propias de Galicia, caso por exemplo do estudantado que "queda fóra" dos limiares máximos de renda porque as súas familias "teñen galpóns ou naves agrogandeiras" que incrementan o seu patrimonio a efectos de cálculo, resalta. Do mesmo xeito, subliña, a Xunta tería na súa man adiantar o pagamento das bolsas, evitando que entidades como "o todopoderoso Santander" ofrezan produtos financieros como "o adianto de ata o 95% da axuda ao alumnado co correspondente cobro de comisións e mesmo xuros".O PP tamén votou a prol da iniciativa, aínda que non é vinculante para a XuntaO resto da oposición deu á proposta o seu voto a prol e tamén o PP, que malia non reclamar formalmente esta competencia na última década, afirma apoiar a iniciativa "por pura coherencia", en verbas da deputada María Antón. Os populares, di, "entenden" que a reclamación da competencia leva "implícito o custe efectivo dos medios persoais, materiais e informáticos requiridos para desenvolver, con solvencia, as funcións correspondentes á Administración autonómica", isto é, o que acontece con calquera traspaso de competencias.Deste xeito, o Parlamento pediu por unanimidade á Xunta que reclame ao Goberno de España "a transferencia das competencias correspondentes á xestión das bolsas de axuda ao estudo así como os recursos económicos correspondentes a elas". Esta declaración política non é vinculante e a Xunta pode optar por non atendela, como a anterior.
NOS_34157
Denúnciao Adega, que cualifica de "chafallada" o acontecido esta fin de semana no concello lucense con autorización da Xunta.
Esta fin de semana decorreu en Friol unha batida contra o lobo autorizada pola Xunta. Segundo denuncia Adega, que pedira a denegación desta actividade, a batida foi un cúmulo de ilegalidades (presenza de menores e o uso de foguetes), que finalizou cun único "trofeo" abatido: un can. Os ambientalistas afirman que consultaron diversos expertos e o que nas fotos se amosa como un lobo é un can. A Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza afirma que o "esperpento" vai ter unha segunda parte, pois o concello de Friol vai solicitar unha nova batida "ao non cumprirse o obxectivo da primeira". Adega lembra que a propia norma que regulamenta o manexo do lobo en Galiza condiciona os "controis da poboación" á comprobación da eficacia dos protocolos e medidas preventivas. A prevención vén mostrándose, afirma, coma o método máis efectivo para reducir os ataques de lobo á gandería. "Por iso cando os gandeiros solicitan e a Xunta autoriza inxustificadamente batidas de lobo, o que está fallando é todo o modelo de xestión".
NOS_17302
Após unha hora e media detidos, Renato Núñez e Manuel Dacal, militantes do BNG, foron postos en liberdade. A policía acúsaos de "desobediencia" e "resistencia á autoridade".
Renato Núñez relata en conversa con Sermos Galiza como foi a súa detención. "En media praza do Obradoiro estaba prohibida a circulación" para as persoas que se manifestaban contra a toma de posesión de Agustín Hernández como novo alcalde de Compostela mais tamén, en rexeitamento por unha equipa de goberno copada por edís non eleit@s. "Para os turistas non", explica. Renato Núñez é secretario de organización da CIG en Santiago, mais tamén integrante do Observatorio polos dereitos civís. Desde esta perspectiva é taxativo á hora de describir o que aconteceu esta mañá na capital galega. "Foi unha desproporcionada ocupación policial, unha limitación á libre circulación das persoas e unha discriminación", pois eran @s axentes quen decidían se ficabas dentro ou fóra do valado. "Algúns cabreámonos por esta situación e decidimos pasar o cordón policial", explica Renato Núñez, "aí foi cando a policía nos fixo a placaxe". As imaxes deste sindicalista axiña fixeron ferver as redes sociais. A súa detención foi a máis violenta. "A Dacal [o outro detido, presidente da FRUGA], que veu detrás de min coa mesma intención, apartárono, mais a min tiráronme ao chan", sinala. O policía secreta que o deitou no chan "pegoume unha labazada", afirma A persoa que o deitou no chan era un axente da policía que ía 'de paisano' e que lle berrou, conta Renato Núñez, "xa está ben de numeritos. Detenido". Após inmobilizalo no chan "pegoume unha labazada na cara, logo apartouse". Despois de seren detidos, os dous manifestantes foron trasladados á comisaría de Compostela onde prestaron declaración durante unha hora e media. Acúsanos dun delito de "desobediencia" e "resistencia á autoridade". A policía non portaba identificación Núñez denuncia que durante o dispositivo policial despregado na céntrica praza da capital galega "había axentes que non levaban identificación", embora ser esta obrigatoria e coida "desproporcionada" a actuación d@s axentes que tiñan, indica, "media praza valada". Nos vindeiros días serán chamados perante o xuíz quen determinará o procedemento xudicial a seguir. "En teoría poderían pedir cadea", sinala Renato Núñez, "mais hai que agardar, non creo que fique só nunha sanción administrativa" polos delitos que lles atribúe a policía.
PRAZA_545
Nos primeiros anos do goberno Feijóo acuñouse a marca 'Demolicións Feijóo' para identificar unha intensa acción normativa que pretendía borrar da historia do País e da vida da xente, os avances do Goberno PSdeG-BNG. Nos últimos meses, xa anos, este labor destrutivo esténdese por activa ou por pasiva a elementos básicos para a nosa supervivencia como sociedade
Hoxe á mañá mentres almorzaba escoitei na radio galega ao noso presidente Nuñez Feijóo contarnos, co entusiasmo que o caracteriza, as boas novas da recuperación que ao fin estamos a vivir en Galicia. Seica, el xa nos tiña anunciado que 2015 vai ser tempo de vacas gordas, e así o amosan os datos do paro de Febreiro, o mellor Febreiro dende o inicio da crise. Se tivera apagado a radio daquela -e se o noso presidente tivera algunha credibilidade-, tería marchado ao traballo co optimismo consonte ao día solleiro que agardaba fora. Mais aí seguín coa miña torrada e así escoitei representantes sindicais que ligaban esa recuperación do emprego a unha reactivación do sector da construción, ligada a traballos extraordinarios de arranxos das rúas dos concellos: ano de eleccións ano de beizóns!. A seguir, e creo que nesta mesma orde, e co mesmo ton ledo dos programas matinais, informóusenos de que o paro reducíase nos varóns e medraba nas mulleres (logo do demoledor informe da CIG da sobre-precarización do emprego feminino galego); da venda dos estaleiros Rodman a Sonangol, unha petroleira Angolana de capital chinés; da preocupación das empregadas das factorías ourensáns de Adolfo Dominguez polo -seica soterrado- traslado da actividade da marca galega a outras latitudes e, como remate do refacho, da multa millonaria ao cártel lácteo por teren acordado pagar ás explotacións galegas o leite por debaixo do valor do mercado.... A realidade, o mundo, confabulado contra o noso presidente, contra o seu afán en darnos boas novas, e o seu traballo de fabricación de titulares. Descoñezo se era a intención do xornalista, mais en menos de 5 minutos, fixo un relatorio descritivo dalgún dos problemas e dos retos do País. A realidade, o mundo, confabulado contra o noso presidente, contra o seu afán en darnos boas novas, e o seu traballo de fabricación de titulares A un sector naval abandonado na ría de Ferrol, xa sen a escusa do veto e coa burbulla de Pemex desinchándose, semella que lle agarda agora un proceso, no resto dos estaleiros, de baleirado da capacidade tecnolóxica cara outros lares que teñen cartos para comprar á competencia e, aos poucos, deslocalizala. Un proceso que se repite nos últimos anos na industria galega, e que tiven a oportunidade de ver de preto no caso de EMESA en Coirós, en que centros produtivos de alta especialización rematan con equipas mínimas e precarizadas, facendo traballos de baixo valor engadido, nun impas que precede ao desmantelamento. Semella tamén que o sector téxtil, a moda galega, súmase ao devalo, co engadido de ser o sector industrial máis feminizado e onde a creatividade, xunto co audiovisual, está ligada máis directamente á produtividade. A multa ao cártel lácteo lémbranos os anos de denuncias de sindicatos agrarios e produtoras sobre a necesidade de acordo para un prezo mínimo do leite que garantira a supervivencia das explotacións, que vender por debaixo de custos de produción non era a causa da competencia no libre mercado, senón de manobras e acordos ilegais das grandes produtoras e distribuidoras. Deixáronse pasar oportunidades para crear un grupo lácteo galego merecente de tal nome mentres se pechaban explotacións. Aquilo no que somos especialistas, que facemos mellor, no que temos vantaxe comparativa, no que somos diferentes. Aquilo que máis valor ten nun mundo globalizado e que pode axudarnos a saír da crise con decencia derrámase, mentres Feijóo e gabinete esculcan os datos da derruba para extraeren titulares que semellen verdades. Eu confío en que a sociedade galega está a prepararlle un ERE extintivo a Demolicións Feijóo Nos primeiros anos do goberno Feijóo acuñouse a marca 'Demolicións Feijóo' para identificar unha intensa acción normativa que pretendía borrar da historia do País e da vida da xente, os avances do Goberno PSdeG-BNG. Nos últimos meses, xa anos, este labor destrutivo esténdese por activa ou por pasiva a elementos básicos para a nosa supervivencia como sociedade, nun devalo que semella imparable. Un devalo que non ten, polo de agora, goberno que o enfronte mais que coa estratexia da lura (botar tinta e fuxir), mais ten unha cidadanía entre a indignación e a depresión. Chamádeme ilusa, é difícil caer na depresión con este ceo luminoso e coa fermosura da ría da Coruña que vexo pola fiestra. Eu confío en que a sociedade galega está a prepararlle un ERE extintivo a Demolicións Feijóo.
NOS_40757
O "compromiso persoal, intelectual, político e social" de Xosé Luís Méndez Ferrín foi recoñecido co Premio Otero Pedrayo 2012, a proposta do presidente da deputación de Ourense, Manuel Baltar. A candidatura contou, entre outros, cos votos da Consellaría de Cultura e da Deputación de Ourense e Pontevedra fronte á candidatura da revista Grial.
O xuri do Premio Otero Pedrayo recoñece co galardón a traxectoria de Ferrín como poeta, ensaísta e narrador, mais tamén, a proposta de Manuel Baltar, destaca a súa biografía "chea de renuncias persoais" en que se valoran con especial relevancia as "decisións tomadas mesmo contra a propia estabilidade do seu entorno emocional máis cercano". A candidatura de Xosé Luís Méndez Ferrín foi apresentada na propia xuntanza polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e contou co apoio dos representantes da Xunta, en concreto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lourenzo e o director xeral de Política Lingüística, Valentín García. A candidatura do ex presidente da RAG obtivo tamén cos votos dos representantes das Deputacións de Ourense e Pontevedra, do escritor Darío Xohán Cabana, en representación da Academia, e con algún dos representantes das Universidades. O premio está dotado con 30.000 euros. Dáse a circunstancia de que á convocatoria se presentara previamente a candidatura da revista Grial, dirixida por Víctor Freixanes e Henrique Monteagudo, que non contou cos votos dos representantes institucionais. Na xuntanza, os representantes da Deputación de Lugo defenderon a proposta do historiador Francisco Carballo co fin de recoñecer a súa traxectoria no compromiso da cultura de base e a recuperación da nosa memoria histórica. O fallo do Otero Pedrayo 2012 prodúcese tan só tres meses despois de se ter xuntado o xuri da anterior edición que recaiu en Basilio Losada, nunha convocatoria que lle correspondía organizar á Deputación de Lugo. Desta volta, é a de Ourense a anfitriona dun premio convocado, de maneira singular, hai só mes e medio e mes e medio tamén despois de terse coñecido o gañador da anterior edición. O recoñecemento na convocatoria das catro deputacións co apoio da Xunta chégalle ao escritor a poucos días da renuncia formal ao seu posto de presidente da Academia Galega que se formalizou no pleno da pasada cuarta feira. Méndez Ferrín renunciou tamén a súa condición de académico numerario -que tiña carácter vitalicio- e, malia non ser aceptado polos seus compañeiros e compañeiras, xa non figura na relación de membros do plenario da institución que figura na páxina web da RAG.
PRAZA_4213
Falamos con Óscar Corral e Brais Lorenzo, dous dous fotoxornalistas que botaron a andar o proxecto Imaxe Covid, que día a día publica unha escolma das mellores imaxes tomadas polos reporteiros gráficos galegos sobre a crise do coronavirus
Os e as fotoxornalistas foron os nosos ollos durante as longas semanas de confinamento. Sempre o son, sobre todo en momento de crise e nos lugares onde a maior parte das persoas non chegan -nas vagas de lumes, nas guerras, nos campamentos de refuxiados-. Pero na actual pandemia houbo moitos días nos que só os traballadores e traballadoras esenciais podían saír ás rúas. E entre este persoal esencial estaban eles e elas, como decretou o Goberno.Hai uns días un grupo de seis fotoxornalistas (Óscar Corral, Mónica Ferreirós, Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Miguel Muñiz e Miguel Riopa) botaron a andar Imaxe CovidA diario vemos as súas fotografías nos medios de comunicación, imaxes que ían contando a situación nos hospitais e nas residencias, as rúas baleiras, ou as actividades cotiás marcadas polas normas sanitarias de distancia social. Entre todas, compoñen un retrato da pandemia, o libro de recordos dun tempo que de seguro marcará un antes e un despois nas vidas de todos e todas.Hai uns días un grupo de seis fotoxornalistas (Óscar Corral, Mónica Ferreirós, Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Miguel Muñiz e Miguel Riopa) botaron a andar Imaxe Covid, que se define como "A ollada de 6 fotoxornalistas galegos na pandemia da Covid-19". Nas súas contas nas redes sociais Imaxe Covid vén publicando unha escolma das mellores fotografías realizadas por todos e todas, polo de agora un total de 17 imaxes."Nesta pandemia demostrouse que é imprescindible que haxa profesionais que estean nas rúas, sobre todo nesas dúas semanas nas que só podían saír os servizos esenciais"Foi Óscar Corral quen puxo en marcha a iniciativa, contactando primeiro con Brais Lorenzo e despois con todos os demais. "Eu estaba xa publicando algunhas das miñas fotos nas redes sociais, para reivindicar o traballo dos fotoxornalistas. Púxenme en contacto primeiro con Brais Lorenzo e entre os dous puxémonos en contacto con outros fotógrafos que nos parecía que podían achegar cousas interesantes ao proxecto", explica Óscar Corral en conversa con Praza.gal. "O proxecto nace para tentar documentar graficamente como está a ser a crise da Covid-19 en Galicia", conta tamén Brais Lorenzo. "Imaxes que amosan o coidado das persoas que están enfermas ou o traballo daqueles traballadores e traballadoras que están en primeira liña e que está deixando a pel para parar a enfermidade e protexernos", di"Queremos reivindicar a figura do fotoxornalista, que é unha profesión que está deostada pola sociedade, que pasa por un mal momento, pero nesta pandemia demostrouse que é imprescindible que haxa profesionais que estean nas rúas, sobre todo nesas dúas semanas nas que só podían saír os servizos esenciais. O Goberno considerounos traballadores esenciais para que puidésemos seguir informando. Era a nosa responsabilidade", destaca Óscar Corral.Corral advirte sobre a importancia crecente dos reporteiros gráficos "nun mundo dominado polas fake news e por ese mal chamado periodismo cidadán"Corral advirte sobre a importancia crecente dos reporteiros gráficos "nun mundo dominado polas fake news e por ese mal chamado periodismo cidadán o traballo dos fotoxornalistas é imprescindible". "Temos a responsabilidade de amosar a realidade da forma máis fiel, poñendo diante o noso código deontolóxico e a nosa profesionalidade, para diferenciarnos das fake news e das imaxes sen contrastar que se difunden polas redes", di."Parece que non fan falla fotoxornalistas, porque o que acontece xa o retrata calquera persoa coa cámara dun móbil. Para tomar unha posta de sol nunha praia vale o móbil, pero cando pasa algo importante si que os fotoxornalistas demostran ser imprescindibles, sobre todo cando hai que ir onde ninguén quere ir ou hai que se enfrontar a circunstancias perigosas: incendios, violencia, narcotráfico... Cando se nos necesita, estamos aí", engade.Brais Lorenzo afonda nesa idea, sinalando que "a nós fainos moito dano esa idea de que calquera persoa cun móbil pode ser fotógrafo, e o feito de que os medios empreguen cada vez máis este tipo de imaxes". Con todo, indica que "nesta crise, en cambio, case todas as imaxes que se están consumindo son de profesionais gráficos". "Son momentos moi importantes para pór en valor o noso traballo, porque o futuro non é nada positivo, con ERTE en varios medios e outros que xa están reducindo soldos, con moitos fotógrafos que xa tiveron que darse de baixa como autónomos", alerta.Lorenzo salienta as dificultades que están atopando para que a Xunta lles dea acceso aos centros sanitarios: "o Sergas non está dando ningunha facilidade para poder contar as historias que están aí dentro"Houbo diferenzas para os fotoxornalistas entre a forma de traballar estas semanas e outras crises? Brais Lorenzo comenta que "nesta crise está sendo especialmente difícil para obter permisos, por exemplo para ir ao enterro dunha familia. Tes que seguir tamén unha serie de protocolos de seguridade, para protexerte a ti e tamén para protexer aos demais". Lorenzo salienta sobre todo as dificultades que están atopando para que a Xunta lles dea acceso aos centros sanitarios: "o Sergas non está dando ningunha facilidade para poder contar as historias que están aí dentro. Creo que nunha crise sanitaria é fundamental poder contar o traballo dos sanitarios. Noutras comunidades autónomas si que se está podendo contar, pero non en Galicia. De feito, as imaxes que incluímos de Riopa están tiradas nun hospital que non é público, como é Povisa", explica."Moitas veces hai que deixar repousar ás imaxes e só despois dun tempo esa fotografía pode simbolizar un momento ou un feito determinado"Hai algunha imaxe que defina mellor que ningunha outra a crise que estamos a vivir? Óscar Corral explica que, de momento, non ten aínda unha imaxe que poida resumir o que pasou. "Moitas veces hai que deixar repousar ás imaxes e só despois dun tempo esa fotografía pode simbolizar un momento ou un feito determinado", comenta. "Pero o que si intentamos é que o conxunto de imaxes que imos publicando sexa o retrato máis rigoroso, profesional e esteticamente atraente do que está a suceder. E que quede de cara ao futuro, como un recordo colectivo para os vindeiros anos", di.Os profesionais que participan en Imaxe Covid van seguir publicando nas redes sociais unha selección das súas mellores fotografías. Porén, aínda non decidiron o uso final que poderá ter este banco de imaxes. "Pode ter varios usos, editorial ou expositivo, pero é algo que aínda non decidimos. De momento imos seguir traballando, subindo fotos, o que facemos día a día", conclúe Corral.
NOS_50118
Afundación presentou o informe A Economía Galega 2020-2021, que destaca o mellor comportamento de Galiza fronte a crise derivada da Covid
Galiza recuperarase dos efectos económicos da crise da Covid "máis rápido do previsto", concretamente a mediados de 2022. Así o ven os economistas Juan Ares e Pedro Veiga, que onte presentaron en Compostela o resumo executivo do informe A Economía Galega 2020-2021, elaborado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza da Universidade de Compostela (USC), Afundación e o Centro de Investigacións de Abanca. Segundo destaca o propio informe, 2020 foi un ano "inédito" no que Galiza resistiu mellor o embate da crise derivada da Covid grazas á fortaleza do comercio exterior, a solidez do sector primario e a menor dependencia do turismo. Porén, os economistas que onte presentaron o documento recoñecen que a información conxuntural é "cambiante" e que todo vai depender da evolución da pandemia nos próximos meses. Con todo, amósanse optimistas ante o comportamento "expansivo das exportacións" e o bo resultado dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), que foron "o salvavidas de miles de empregos". Sobre o escenario futuro, os economistas cifran "arredor de 6%" o crecemento do PIB galego para 2021. "A mediados de 2022 acadaremos niveles de PIB e de produción previos á pandemia. España aínda tardará un pouco máis, até finais de ano ou principios de 2023", apuntan. Leccións aprendidas Un aspecto sobre o que chaman a atención os expertos é sobre o feito de que esta crise modificou a correlación entre o impacto no PIB e no emprego, en gran medida gracias aos ERTE. Na mesma liña, destacan que as "leccións aprendidas" da anterior crise permitiron mitigar a afección na economía. Entre esas leccións figura a solvencia do sector financeiro para manter o crédito, a importancia de Europa e da súa política expansiva en lugar de austeridade, e o papel do Banco Central, que foi "crítico" para conter a prima de risco e manter os tipos estábeis. Pola contra, como aspectos negativos recollidos no informe, salientan o feito de que, durante a crise, a destrución de emprego afectou máis ás mulleres, e tamén o comportamento "asimétrico" do emprego xuvenil, unha situación que, como recoñecen, "preocupa".
QUEPASA_708
Última hora: Suspendida a xornada deste sábado 21 de decembro de todo o Fútbol Federado, pola alerta laranxa-vermella que hai activada durante todo o día.
Chega a última xornada completa de fútbol do ano 2019 (a semana do 29 de decembro aínda vivirá algúns partidos, con xornada case íntegra no fútbol veterano), e coa competición regular mediada en practicamente todas as competicións é hora de facer balanzo para os equipos e reflexionar durante quince días sobre o que se fixo ben e o que non. Tres equipos intentarán esta fin de semana non chegar ás festas e comer só carbón e carbón. Tres equipos de fútbol once na Costa da Morte poden pechar o ano 2019 sen coñecer a vitoria (no que se refire á temporada en curso) e teñen apenas unha última oportunidade para logralo. O caso máis preocupante é para un histórico como o Buño. Despois de varias temporadas consecutivas na Liga da Costa a súa permanencia comeza a estar moi seriamente ameazada. Polo de agora, conseguiu o dubidoso rexistro de ser o único equipo senior que non gañou en toda a primeira volta da competición, xa rematada (o Zas evitou isto sobre a bocina, gañando o último partido). Os oleiros levan seis empates e nove derrotas en quince partidos, ocupan a última posición da táboa e as sensacións non son boas. Esta xornada non semella que sexa a máis propicia para a vitoria, pois teñen de visitar (Municipal de Arliña, domingo, 16.00 horas, Manuel Espasandín) a todo un Muxía, quinto clasificado, que non regalará nada para non descolgarse da pelexa polos postos de ascenso. O Corme proclamouse campión de inverno da competición, e o Ponteceso, tras vencer no partido da xornada á Esteirana, acadou o subcampionato. Os resultados foron aínda máis adversos para o Sofán na División de Honra do fútbol veterano. Recén chegados á categoría, a súa adaptación non está a ser a desexada, e suman tres empates e oito derrotas en once xornadas. Esta semana teñen unha ocasión propicia para sumar os seus tres primeiros puntos, pois reciben no seu campo (O Carral, domingo, 10.00 horas, Alberto Baña) a outro dos recén ascendidos, o Deportivo Razo, que os precede na clasificación con só sete puntos. E, por último, na competición infantil é o Laxe quen o sábado (Municipal de Laxe, 11.30 horas, Iván Ferreiro), fronte ao Fisterra, quererá estrear o seu casilleiro de vitorias antes das vacacións. Tres tríos costeiros e moito máis A Subdelegación da Costa da Morte do Comité de Árbitros, ademais de atender toda a competición local, disporá este domingo tres tríos arbitrais para a competición de ámbito superior. Na Preferente Galicia, grupo 2, Pablo Rama (auxiliado por Alberto Baña e Iván Vilanova) visitará o fermoso campo da Senra (domingo, 17.00 horas) para o Ribadumia-Gran Peña. E na Primeira Galicia, David Vázquez (auxiliado por Daniel Martínez e Esteban Domínguez) dirixirá o Betanzos-Club do Mar do grupo 1 (García Hermanos, domingo, 16.00 horas) e David Castreje (auxiliado por Carlos Señarís e Christian Sendón) pechará o ano no Platas Reinoso (domingo, 16.15 horas, Baio- Esclavitud). Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.
PRAZA_9281
Unha década despois de basear a oposición a Zapatero nunha suposta quebra da unidade do Estado o PP disponse a botarse á rúa en plena precampaña das municipais ao fío do "relator" anunciado polo PSOE para as conversas coas forzas independentistas catalás
Ata que o estourido da crise económica e a súa xestión erosionaron rápida e crucialmente o Goberno do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero, moi especialmente a partir do primeiro paquete de recortes sociais do ano 2010, o PP baseara a súa estratexia de confrontación con aquel Executivo socialista en dúas frontes: a territorial e a moral. A territorial compúxose esencialmente de alertas a respecto dunha suposta ruptura de España a conta da aprobación en 2006 do novo Estatuto de Autonomía de Catalunya, habitualmente salferidas de mencións aos contactos do Goberno de España con ETA para procurar a fin dos atentados. Unha década despois de basear a oposición a Zapatero nunha suposta quebra da unidade do Estado o PP disponse a botarse á rúa en plena precampaña das municipais ao fío do "relator" para as conversas do PSOE co independentismo catalánA vertente moral asentábase na oposición dos populares ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo, primeiro, e despois ao dereito ao aborto. Naquelas manifestacións secundadas e alentadas polo PP alertábase dunha suposta fractura da familia "tradicional" -asentada nunha parella homosexual- e dun perigo para "a vida".Unha década e unha fonda crise económica despois o panorama político e social do Estado mudou moi notablemente. O PSOE volve ostentar o Goberno de España tras a moción de censura formulada contra o Executivo de Mariano Rajoy ao fío da vaga expansiva do caso Gürtel. Pedro Sánchez chegou á presidencia apoiado nunha ampla pluralidade de forzas, entre elas a das forzas independentistas catalás, e nun clima político inevitablemente condicionado polo proceso soberanista en Catalunya e o encarceramento e inminente xuízo aos seus líderes pola organización do referendo do 1 de outubro de 2017.Con este pano de fondo e cunha correlación de forzas políticas infinitas moito máis fragmentada que en tempos de Zapatero o PP disponse a volver á rúa en plena precampaña das eleccións municipais e europeas do 26 de maio, que tamén son autonómicas en 13 autonomías. Faino outra volta apoiándose nun suposto risco de ruptura da unidade de España pero xa sen ser o único partido que actúa como tractor da mobilización: agora o espazo mobilizador -e o rendemento electoral do mesmo- ten que competilo con Ciudadanos e mais coa súa escisión de extrema dereita Vox.PP e Ciudadanos saíron en tromba rapidamente secundados polo partido de extrema dereita VoxO motivo que os populares, con Pablo Casado á fronte, presentan como ineludible detonante para botarse á rúa son os contactos do Goberno de Sánchez e mais do PSOE coa Generalitat catalá e os partidos que sustentan o seu Executivo. Concretamente, o anuncio da figura dun "relator", en verbas da vicepresidenta Carmen Calvo, que dará conta do tratado nos contactos entre partidos. En plena incerteza a conta da tramitación dos Orzamentos Xerais do Estado e cunha errática xestión da devandita figura por parte dos de Sánchez, PP e Ciudadanos saíron en tromba rapidamente secundados por Vox.O presidente do PP non aforrou cualificativos nin gravidade no ton, atribuíndo "alta traizón" a Pedro Sánchez, contra quen asegura estar "disposto a todo"Como informa Gonzalo Cortizo para eldiario.es, os protagonistas da pugna por liderar a reconfiguración do espazo da dereita española tardaron escasas horas en coordinaren as súas estratexias para convocar manifestacións na rúa contra a decisión de Pedro Sánchez de continuar as conversas co independentismo catalán incorporando a figura do devandito "relator". Pablo Casado anunciou a convocatoria dunha concentración para este domingo no centro de Madrid. Minutos antes, o líder de Ciudadanos, Albert Rivera facía un anuncio similar. Pouco despois, Vox sumábase cunha mensaxe en Twitter do seu líderO presidente do PP non aforrou cualificativos nin gravidade no ton. Segundo Casado xa é posible cualificar a Sánchez como "o maior traidor contra a continuidade histórica da democracia española" e asegura que "o que está a ocorrer é o máis grave que viviu a democracia española desde o 23 de febreiro de 1981". O substituto de Mariano Rajoy atribúe a Sánchez "alta traizón" -a traizón é un tipo delitivo castigado con fortes penas de cadea-, dá en cualificar o Goberno como "ilexítimo" e por iso asegura estar "disposto a todo". Rivera tampouco aforra énfase. Manifestarase co resto da dereita porque "xa abonda" e "hai que frear a Sánchez nas rúas", asegurou o líder de Ciudadanos. "Se hai que botar a Sánchez da Moncloa teremos que sumar forzas. Esta lexislatura son só está esgotada senón que empeza a ser perigosa", asegurou Rivera nun chamamento á reacción conxunta fronte ao Goberno.O argumentario foi reproducido en Galicia, onde o 'número dous' de Feijóo no partido di estar alarmado por unha suposta "rendición aos pés do independentismo"O argumentario do aparello central do PP foi reproducido pouco despois en Galicia cun ton de afectación semellante. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, condenou o que considera unha "humillación aos españois" e o seu número dous no PPdeG, Miguel Tellado, dixo apelar á "conciencia" dos "dirixentes socialistas que están en contra de que o Goberno de España acepte que haxa unha mediación entre Cataluña e España". "Non hai precedentes de decisións tan humillantes", proclama Tellado sen especificar cales. "Os galegos", segundo afirma, tamén están a ser "humillados" porque "Pedro Sánchez rende España aos pés dos independentismo".Diante desta apelación directa o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reiterou o seu apoio á "busca de mecanismos de diálogo dentro da Constitución e do Estado de Dereito" para "solucionar o conflito en Cataluña tras moitos anos nunha situación difícil de desatascar". "É un asunto moi complexo e cómpre buscar vías de diálogo", agrega Caballero, en cuxa opinión o Goberno de Sánchez "ten todas as claves sobre a mesa para tomar as mellores decisións que sexan compatibles coa Constitución" e "estou convencido de que así o está a facer", conclúe.
NOS_24613
Representantes de persoal das residencias da terceira idade e mais das familias dos usuarios e usuarias participaron da comisión de reactivación para achegar a súa experiencia. TreGa e REDE denunciaron as carencias destes centros e acusaron a Xunta de deso
A voceira de Traballadoras de Residencias da Galiza (TreGa), Sonia Jalda, e o presidente da plataforma REDE que agrupa asociacións de residentes e as súas familias, Paulino Campos, son dous dos referentes das críticas ao actual modelo residencial galego e das dificultades destes centros para afrontar a pandemia. Ambos os dous compareceron onte no Parlamento da Galiza no marco da Comisión especial de reactivación da Covid. Alí expuxeron as que consideran as principais eivas e deficiencias do sistema de atención a anciáns e anciás e achegaron as cifras, que cualificaron de alarmantes, dos centros nos que se produciron surtos. "Segundo as cifras da cuarta feira, desde marzo faleceron 502 anciáns e anciás usuarias de residencias. Na primeira vaga morreron 274 e dese o 19 de agosto, na segunda fase destes centros, fixérono 228. Temo que nunhas semanas superaremos a cifra dos primeiros meses da pandemia. Case 1.200 residentes foron diagnosticados da Covid desde entón", advertiu Paulino Campos. O representante de REDE subliñou que dous de cada tres maiores finaron nun hospital ou residencia integrada neste segundo período. "Rectificouse en parte, pois ao comezo case a metade morrían nas propias residencias. Agora queremos saber que acontece con ese un de cada tres maiores que aínda falecen nos centros. Máis aínda cando temos constancia de trabas ao traslado de maiores dependentes", apuntou. Os dous resaltaron que os xeriátricos, especialmente os de titularidade privada, sufrían carencias anteriores á chegada do virus. Entre outras cuestións, Jalda aludiu a unha alimentación deficiente nalgúns centros ou aos insuficientes cambios posturais a residentes pola falta de profesionais. Inspeccións na mira Tanto Jalda como Campos cualificaron de insuficientes as inspeccións de Política Social. O segundo fixo mención a un informe do Consello de Contas entregado ao Parlamento da Galiza en 2018 e con datos de 2017 que no seu día publicara Nós Diario en exclusiva. "Nos centros de DomusVi Aldán, DomusVi San Lázaro ou DomusVi Ribadumia non se cumprían as ratios de persoal", salientou o segundo, mencionando centros que rexistraron importantes gromos. Unhas cifras de profesionais que foron fixadas en 1996, polo que Campos solicitou a súa actualización. O mesmo informe de Contas engade que as deficiencias sinaladas nas inspeccións non chegaron a ser emendadas. Punto de vista sanitario Antón Acevedo, especialista en Medicina Preventiva e actualmente director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, estivo presente en residencias intervidas pola Xunta, caso de DomusVi Ribadumia ou a do Incio xestionada pola Fundación San Rosendo. "O modelo actual, cos seus defectos, serviu até o de agora. Pero hai algunhas cuestións a mellorar", valorou.
PRAZA_2698
As organizacións políticas, as mareas municipais e a cidadanía non organizada politicamente son os tres axentes, tres polos que deberán profundar máis alá do 20 de decembro na articulación dese espazo de confluencia, cos seus imprescindibles mecanismos democráticos asemblearios e populares comúns.
Empezar polo primeiro encirra a obviedade. Pero aló vamos. Toda candidatura galega é galega. Dito doutra maneira: entre galegos, ser galego non é distinción. Que unha candidatura electoral se poida proclamar galega entra no terreo do obvio, non achega ningún valor político enganido. Non parece interesante, pois, que o debate político se poida reducir á galeguidade, outorgada, dunha candidatura, unha galeguidade metonímica substitutiva da condición que non todo o mundo comparte, esa si que non: a nacionalista. O artefacto discursivo, que é caprichoso, pois esa galeguidade é outorgada por quen se erixe en posuidor do dereito a separar o grao da palla, métenos nun espazo sen significado, catastrófico, segundo o cal a inmensa maioría de votantes de Galicia non sería galega cen por cen. Tal nacionalismo conservador acaba enfrontándose, sen querelo, á posibilidade dunha opción republicana para Galicia. Porque unha opción republicana é sempre de base material e recoñece o dereito de cidadanía sen distinción de militancia nacionalista. O discurso, ademais, poida que se alague de ineficacia comunicativa. Hai unha ruptura unilateral do código, e aí a comunicación é moi difícil. Só podería funcionar nunha especie de varrido colectivo do sentido das cousas. A condición da galeguidade entendida como atributo exclusivo dunha minoría da nación esixe un estado permanente de catástrofe. Un discurso apocalíptico: Galicia morre, é a derradeira carta da baralla, etc. A grande catástrofe nacional, cultural e lingüística elimina contradicións internas e obvia todo antagonismo interior. Que a diversidade se disolva e alampee un único rostro! Emporiso, Galicia sobreviviranos. Iso si, como proceso histórico continuo está sometida a cambios, a transformacións, mesmo a desfiguracións. Nesa realidade histórica enfróntanse a diversidade irrepresentable dunha nación complexa e a súa redución a unha idea arcádica esencial. Mais a República da Multitude é diversa, dinámica e irrepresentable. Galicia atravesa unha crise dobre: a que sofren as súas clases populares, como a sofren no resto das nacións de Europa e do planeta, e tamén a que a súa condición de periferia da periferia no sistema mundo lle impón. Pero a súa existencia non periga. O que periga é certa idea, certa percepción, de estabilidade política. O mapa político anterior a outubro de 2012 era moi nítido, moi estable. O réxime repartía xogo entre unha forza de dereita, outra de esquerda e outra nacionalista. En toda representación, cada personaxe asume as súas funcións. Posto que réxime e estabilidade son sinónimos, toda alteración deste mapa rima con inestabilidade. Na sociedade política instálase o enfrontamento entre a ordenada estabilidade e a inestabilidade desexada. Cousas deste tempo de crise orgánica. Mentres as clases subalternas non consigan impoñer a súa institucionalidade alternativa, necesitarán manter os procesos políticos en campos constantemente inestables. É a única maneira de evitaren que se clausure toda oportunidade de cambio, todo proceso de transformación. A articulación dun suxeito político que poida abrir brecha crecente na fenda dese mapa político anteriormente estable é doenza que o réxime adoece por neutralizar. E pon a todos os axentes en funcionamento. A alteración do mapa político é só unha das consecuencias da crise de representación e, acumulada sobre desta, da crise de lexitimidade do réxime. As institucións non dan contido as demandas populares, son desbordadas por elas, e a multitude empeza a comprender, mesmo difusamente, a necesidade de tomar as vellas institucións para reconstruír sobre delas aparellos institucionais autónomos en beneficio da maioría social. A esquerda está obrigada a entendelo. Trátase de configurar artefactos políticos que destapen a incapacidade das institucións actuais para xestionar a cousa pública en beneficio da maioría social e non dos negocios privados da elite. E tamén se trata de ir edificando simultaneamente unha institucionalidade popular alternativa. Iso é a construción dun suxeito soberano no que as organizacións de ruptura son imprescindibles pero non suficientes. Escusado é pensar que todo está feito, que o camiño xa está trazado, que hai unha liña segura nese proceso. Todo o contrario. Atoutiñamos, ensaiamos, erramos mentres procuramos atinar. E falamos de suxeito de ruptura non porque pensemos nunha panca infalible que inmediatamente o faga saltar todo polos aires, mañá mesmo, senón porque se entende unha acumulación social de forzas que tenta poñer en práctica esa vontade. Empezando por descender ao cotián e ás máis urxentes necesidades das persoas. A ruptura non é darlle a volta a todo nunha lexislatura, así que, abstéñanse profetas do fracaso. A ruptura é en si o proceso que pon en cuestión todo o sentido común dominante e as súas normas en todos os lugares, en cada poro da sociedade civil e da sociedade política. Porque o novo suxeito político non acepta as normas prefiguradas pola clase dominante, porque a elas empeza a opoñer a súa propia normativa. Dixémolo antes das municipais, cando Martiño Noriega optaba á alcaldía de Compostela sendo alcalde de Teo. O réxime e os seus medios fixeron do caso unha transgresión ética e política das súas normas, mais o novo sentido común en construción impuxo a propia súa norma e Compostela Aberta gañou. Iso é ruptura. Os meses previos á campaña electoral que comeza foron profusos en movementos que na esquerda e no nacionalismo expresaron dalgunha maneira esa tensión constante entre o estable e o inestable. Entre o mapa político previo a outubro de 2012 e a necesidade de darlle continuidade ao proceso de ruptura que tivo o seu último episodio coas mareas e demais candidaturas de unidade e converxencia das pasadas municipais. E esa tensión continúa. Nos seus momentos máis elevados, o significante Unidade colocouse no centro de todas as propostas e discusións, conscientes como son xa os actores políticos de que é unha referencia positiva. Pero Unidade non é un significante baleiro. Vén con un significado material que neste aquí e agora se constrúe desde 2012, coa irrupción de AGE nas eleccións autonómicas, e xa fora expresando anteriormente os seus balbucidos. Dalgunha maneira, o imaxinario colectivo aluman unha imaxe da Unidade como necesidade en proceso e non como unha simple opción electoral pensada para un momento concreto. A crise orgánica, como resultado dun ataque terminal do capital contra o traballo, fai emerxer en amplas capas da maioría social agredida a conciencia de que só na unidade da diversidade se pode armar un instrumento de protección para o inmediato, unha ferramenta colectiva de construción sempre máis alá. Pero unidade non era, non o é, reagrupamento nacionalista, como tan ben nos lembrou Manuel Martínez Barreiro. Non se trataba diso. Construír unidade contra o proceso de unidade que nos está facendo ver a necesidade da unidade era un absurdo en si mesmo. Unidade sen as Mareas, ou contra elas, e sen os procesos previos, todos incompletos e imperfectos pero imprescindibles, era a destrución do espazo de unidade a cambio de certo reagrupamento nacionalista. Ou sexa, o derradeiro repregamento defensivo dun corpo político que tende a considerar que a sociedade política absorbe e anula toda a complexidade da sociedade civil e as súas opcións de autonomía. Idénticas consecuencias ten desprazar do centro do escenario a necesidade de ruptura co réxime e substituíla cunha reforma constitucional que, dunha maneira ou doutra, sería expresión do peche en falso da crise orgánica en favor das clases dominantes, contra as maiorías sociais e as nacións sen estado. Unha revolución pasiva. O relato do proceso de ruptura conecta AGE e as Mareas municipais, sen solución de continuidade, e sobre todo narra as condicións que se van xerando coa participación dos diferentes axentes. Se son as forzas políticas as que en exclusiva crean e compoñen AGE, na fase das Mareas e das diversas candidaturas municipais de converxencia é xa a cidadanía máis activa a que toma o mando e se erixe en protagonista. Pero convén non mistificar. Cidadanía quere dicir persoas con ou sen militancia política partidaria que se xuntan e se debruzan igualitariamente nun espazo en construción ao que algúns teimamos en atribuírlle dimensión de ruptura. En Marea, como cristalización en candidatura electoral da continuidade deste proceso, ocúpase de manter vivo o imaxinario colectivo ao se encargar da seguinte fase na construción do suxeito de ruptura. As organizacións políticas, as mareas municipais e a cidadanía non organizada politicamente son os tres axentes, tres polos que deberán profundar máis alá do 20 de decembro na articulación dese espazo de confluencia, cos seus imprescindibles mecanismos democráticos asemblearios e populares comúns. O proceso é complexo e multilateral, moi imperfecto, pero non debe impugnarse. Cómpre entendelo, completalo e melloralo, despoxalo de dinámicas incompatibles co desbordamento ao que apela. Como tal proceso, vén en marcha e en marcha debe continuar. Non lle convén reiniciarse constantemente, pois iso implicaría constantes desconexións que o illarían dos sectores da maioría social que progresivamente se van incorporando a el. Na medida en que a experiencia electoral faga do suxeito En Marea o protagonista, o proceso avanzará. Oxalá venza a tentación de reducirse a un simple engadido de intereses particulares de cada organización. O proceso non é só electoral, pero éo. As eleccións non son o importante, dise, e é verdade, mais nesta altura histórica esta sentenza –que ás veces só expresa unha viva fascinación pola cálida marxinalidade- esixe matices. As eleccións non son o único escenario da loita política, iso é evidente, pero a crise orgánica deu en convertelas en momentos de acumulación de enerxía colectiva, de forzas e de conciencia. Os procesos electorais estanse revelando como acontecementos de ruptura en que, ao contrario do que ocorre na doce estabilidade anterior, se abre a posibilidade de formulalo todo, en que o máis radical agroma constantemente: hai que paralos, que se vaian todos, non nos representan. Esa chamada radical óese unha e outra vez nas citas electorais, auténticos nós dunha continuidade histórica, a mesma que esixe o relato de ruptura, ocupado agora en construír o artefacto En Marea. É o último episodio, pero non o derradeiro. Pero ao final, ten cabida no proceso o mundo político que dunha maneira ou outra se identifica co nacionalismo tradicional e o BNG? Si, claro, sen dúbida ningunha. Os seus votantes e a gran maioría da súa militancia son imprescindibles alá onde coinciden obxectivos e o material se revela en toda a súa brutal potencia. Como tamén o é a inmensa maioría dos votantes do PSOE, persoas de esquerda que viven principalmente de vender, se poden, a súa forza de traballo. É a construción do Suxeito Político de Ruptura para estes tempos a que debe guiar a confluencia de vontades diversas na esquerda e o republicanismo de base independentista. Porque a ruptura ten nome de República Galega, aínda que o nome en si non prefigure a forma de organización, o que esa República decida libremente, que pode ser tanto a independencia como a confederación coma calquera outra fórmula. Organizacións políticas, cidadanía non organizada e ámbitos de acumulación de forzas coma as mareas, velaí os actores constituíntes dese Suxeito de Ruptura que se quere multitudinario e inabarcable. Se o obxectivo é a soberanía popular que dea lugar á República Galega, a ferramenta terán que construíla todos os sectores sociais que comparten intereses materiais sen que teñan que coincidir nunha opción estritamente nacionalista. A República non a construirá o nacionalismo en exclusiva. Vai nacendo no seo da multitude nun proceso democrático que lle dá ao pobo soberano a capacidade de decidilo todo, mediante unha alianza sen fronteiras entre o independentismo e a esquerda rupturista non necesariamente nacionalista. Outramente, apenas se seguirán fixando fronteiras para conservar no seu interior certa idea de nación a salvo de impurezas. Unha clausura da Historia e dos seus movementos. A pesar das diferenzas, nesta campaña electoral é obrigado o respecto mutuo. Aquelas candidaturas que se encontren fóra dos espazos políticos do réxime non deben enfrontarse por un recanto minoritario do andel en que se expoñen os diferentes produtos do mercado electoral. Será sinal de intelixencia que En Marea non compita polo nicho que o réxime lle ofrece e no que quere vela, enfrontada á candidatura do BNG. O inimigo non é esta en ningún caso. Todo o contrario. Serán colaboradoras necesarias. O proxecto do Suxeito Político de Ruptura en construción non é disputarlle ao BNG nin ás súas candidaturas un espazo secundario de complemento dos partidos dinásticos, a forma de inserción marxinal no Partido da Orde. A razón de ser do suxeito galego de ruptura é combater o poder para conquistalo todo. O camiño será longo e complexo, enfrontado a múltiples dificultades externas pero tamén internas. Non todo o mundo nas propias organizacións políticas nin nas áreas non partidarias, pero si organizadas, parece comprender que só hai razón de cambio e de ruptura cando esta desborda fachendosamente as marxes orgánicas. Pero será, é, véno sendo, un camiño fascinante. O camiño da República da Multitude que aquí leva nome de República Galega.
NOS_21502
Miguel Gómez Abad, director, debulla a súa última curta, '42º 47' 38.9" N – 8º 30' 15.8" O', premiada no LAV.mov. 2021 (Vedra) e no Festival RIR (Allariz). Refírese nesta conversa aos procesos creativos baixo presión, á precariedade e á emerxencia da competencia no sector, aínda que, como afirma, "estou a favor de que aumente a calidade e de que haxa máis xente competindo con novas ideas".
—Como xorde 42º 47' 38.9" N – 8º 30' 15.8" O?No LAV.mov fan unha especie de concurso que consiste en rodar unha curta en 48 horas en determinadas localizacións e sobre un tema en concreto, neste caso, o retorno. Ás seis persoas que participamos sempre nos gustou o reto de gravar contra reloxo. Este ano creo que será a cuarta edición e oxalá sigan organizando o concurso durante moito tempo porque xorden cousas moi chulas. É divertido, aínda que pode provocar bastante frustración se quedas sen ideas. Gústame traballar con esa presión sa e sobre todo o feito de que todo o mundo parta das mesmas condicións. É certo que alguén pode ter mellor material, mais creativamente falando tes o mesmo tempo para facer as cousas. Nos últimos catro ou cinco anos na Galiza estanse facendo moitos concursos deste tipo, é moi interesante. —Entón o panorama audiovisual vai a mellor?Non quero romantizar a precariedade. Si que diría que se lle están dando máis oportunidades á xente nova ou cartos para facer cousas. Aínda que sexan de forma simbólica mais, xa que non vas gañar nada polo menos para non perder cartos. Tamén é certo que está subindo moito o nivel na Galiza. Igual hai anos cunha peza pequena chegabas a moitos máis sitios que agora, mais eu estou a favor aínda que ás veces sexa eu o que queda fóra. Estou a favor de que aumente a calidade e de que haxa máis xente competindo con novas ideas. —A curta estivo no Galician Freaky Festival de Vigo. É un xénero co que traballa?Non sei se friki, mais todo o meu traballo coquetea co xénero fantástico e coa ciencia ficción. Gústame moito o realismo máximo tamén. Non podo explicar o por que, ao mellor porque a nivel imaxinativo constrúes todas as regras e non é o mesmo que crear un drama histórico onde xa estás restrinxido. Tamén pode ser porque sempre consumín moita literatura fantástica, así como no cine e nas series. Igual por activa ou por pasiva acabas por derivar cara o que consumes. O cal non quere dicir que non desfrute cos dramas ou co cine histórico, mais sempre o mirei con moito máis respecto. No mundo fantástico penso que podes xogar máis. —A curtametraxe tamén foi premiada no Festival RIR. Cal é a chave para unir comedia e fantasía?É complicado. Saíu así porque todas as persoas que participamos no proceso creativo puxemos algo de nós nela. Cando escribo eu só sempre acabo inclinándome cara a cousas máis grises e lúgubres. Neste caso penso que foi un proceso natural porque somos conscientes de que a comedia funciona moi ben nos festivais. A curta fala dun antiheroe ao que botaron e que está agardando para volver: é rirse das desgrazas. A min gústame moito a comedia, mais atópoa moi complicada. É difícil facer rir porque cada un ten o seu sentido do humor. Considero que é para profesionais e xente moi talentosa que saiba enfiar as cousas.Ademais, inflúe que xa nos coñecemos as persoas que participamos nesta curta. É un gusto traballar con xente coa que levas tempo, que te entendedes con ela e que ás veces cun xesto xa saben o que queres ou por onde hai que ir. Neste caso, a confianza é positiva porque a xente xa coñece as túas debilidades e fortalezas e non é necesaria a comunicación que faría falta se comezades desde cero, algo importante cando hai tan pouco tempo. Nós estamos moi contentos de que unha peza feita en 48 horas saíse tan rendíbel porque xa gañou concursos e estivo en festivais. Ás veces o sinxelo pode funcionar tan ben como unha curta feita por vinte persoas. Se dás feito esta curta tamén fala moi ben do que podes chegar a ser a nivel profesional, porque quere dicir que es resolutivo e que tes capacidade de enxeño.
PRAZA_5508
Un informe elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, do CCG, destaca que as mulleres len máis e tamén acoden en maior medida a bibliotecas, ao teatro e a concertos. Os homes, pola contra, realizan máis o seu consumo cultural a través da rede, ven máis a televisión e miran DVDs.
As mulleres dedican máis tempo a consumir cultura e, ademais, fano cun menú máis rico e diverso. Len máis e tamén acoden en maior medida a bibliotecas, ao teatro e a concertos. Os homes, pola contra, realizan máis o seu consumo cultural a través da rede, ven máis a televisión e miran DVDs. Son as principais conclusións do informe A muller na cultura galega, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura, a partir sobre todo dos datos recollidos polo INE, pero tamén por outros estudos. As mulleres galegas son as que máis len, superando os homes en tres minutos diarios (16 minutos, fronte a 13) O informe destaca que en Galicia, ao igual que no resto de España, as mulleres empregan menos tempo que os homes en ver televisión e DVDs (os homes galegos dedican dúas horas diarias, por unha hora e 47 minutos as mulleres) e en escoitar a radio. Pola contra, as mulleres galegas son as que máis len, superando os homes en tres minutos diarios (16 minutos, fronte a 13) e tamén situándose por riba da media do resto das mulleres españolas, ás que superan nun minuto. Iso si, tanto nos homes coma nas mulleres, a actividade de ocio cultural favorita é, con moita diferenza, a televisión, tanto no que respecta ao tempo empregado diariamente coma á predilección declarada (o 84,1% dos homes e o 78,9% das mulleres sinálana como a súa actividade preferida). Iso si, segundo o INE, o gusto pola lectura creceu en Galicia nos últimos anos, pasando de ser unha actividade de ocio cultural practicada a diario por un 21,2% en 2003 a selo por un 24,2% en 2010. Este crecemento aséntase sobre todo nas mulleres (entre as que subiu do 19,6% ao 26,3%), mentres que nos homes a afección pola lectura descendeu do 22,9% ao 21,8%. Do total do público lector en Galicia (1.079.251), un 58,3% son mulleres Do total do público lector en Galicia (1.079.251), un 58,3% son mulleres. Hai unha diferenza de 179.286 persoas entre ambos sexos (629.267 fronte a 449.984), sendo elas ademais as que maior número de libros len ao ano. Un 42,2% desas 629.267 lectoras len máis de seis libros ao ano, 2,3 puntos porcentuais por riba dos homes. Do total das lectoras galegas, un 35% utiliza o servizo dunha biblioteca, e fano número moi superior ao dos homes (220.119 mulleres fronte a 149.192 homes). No que respecta ás publicación periódicas, segundo o INE, as mulleres galegas elixen revistas do corazón (58,8%), de información xeral ou actualidade (42,9%) e de estética, saúde, moda e fogar (41,8%). Pola súa banda, os homes escollen medios de información xeral (44,1%) e deportes (36,1%). Tamén é superior nos homes a lectura de revistas técnicas, científicas, de viaxes, natureza, informática e banda deseñada. Espectáculos culturais Os galegos, homes e mulleres, van pouco ao cinema, ao teatro ou a concertos. E entre os que si acoden a espectáculos culturais, as mulleres son maioría, aínda que sexa por pouco. No caso do cinema, o 52% dos galegos e galegas recoñecen non ir "nunca", e case non hai diferenas por sexo. Si as hai, en cambio, no teatro, ao que só van algunha vez o 23% dos cidadáns, unha cifra que é superior nas mulleres (24% fronte a 21%). De igual xeito, só o 14% dos galegos e galegas vai algunha vez a algún concerto, e de novo a asistencia das mulleres é máis elevada (15% fronte a 14%). Sociedade da información e novas tecnoloxías Entre as menores de 35 anos son as mulleres as que máis empregan o ordenador e Internet (rozando o 100% de usuarias) As mulleres galegas usan menos o ordenador e Internet ca os homes (64,8% fronte a 68,1% e 62,8% fronte a 67,9% respectivamente), e tamén o comercio electrónico (cunha diferenza mesmo maior: 24,8% fronte a 17,6%). Porén, entre as menores de 35 anos son as mulleres as que máis empregan o ordenador e Internet (rozando o 100% de usuarias). A medida que avanzamos nas distintas fraxas de idade, en cambio, son os homes os que dominan. As mulleres usan máis e con máis frecuencia as redes sociais ca os homes (úsanas o 77,5% fronte ao 68,7% dos homes), preferindo Facebook, Tuenti e Pinterest; os homes son maioría en Twitter, Google Plus e Linkedin As mulleres empregan algo máis a mensaxería instantánea (91,3% fronte a 89,7%), sobre todo o servizo de chat do Facebook. No resto de servizos populares, como Whats App, Skype ou Windows Messenger son maioría os homes. De igual xeito, as mulleres usan máis e con máis frecuencia as redes sociais ca os homes (úsanas o 77,5% fronte ao 68,7% dos homes), preferindo Facebook, Tuenti e Pinterest; os homes son maioría en Twitter, Google Plus e Linkedin. No tocante á participación en foros, as mulleres son menos activas tanto nas consultas como na achega de contidos. No que respecta á suba de contidos á web en xeral, un 37% das mulleres subiu fotos, un 7% vídeos, un 41% comentarios, opinións e outros textos e un 8,9% música. As mulleres son máis activas ca os homes, especialmente no que respecta á suba de textos e música, pero menos proclives a utilizar servizos de almacenamento de arquivos online. Os homes tenden a consumir a través da rede máis televisión, radio (descargada ou online) e vídeos e tamén descargan máis música e películas. As mulleres, pola súa banda, ven máis cine e series online A navegación pola web de homes e mulleres tamén é diferente. Os homes tenden a consumir a través da rede máis televisión, radio (descargada ou online) e vídeos e tamén descargan máis música e películas. As mulleres, pola súa banda, ven máis cine e series online. Elas, ademais, realizan máis búsquedas de información relacionada coa saúde, o emprego e a formación, mentres que eles ocupan o seu tempo opinando sobre política e economía, entrando en webs de apostas ou en páxinas para adultos. Oito de cada dez galegas usan o móbil para acceder a internet, case tantas coma homes, pero só un 20% usa a tableta fronte ao 31% dos homes Emprego cultural As mulleres supoñen un 40% dos empregados culturais, un total de 23.300 en Galicia O emprego cultural total en Galicia supón 23.300 persoas, un 2,3% do total, segundo datos da EPA, que con todo non ofrece desgloses por sexo para Galicia. Porén, o Observatorio reaiza un cálculo complementario, extrapolando datos doutras fontes estatísticas, que sinalan que e en España as mulleres supoñen un 40% dos empregados culturais, unha porcentaxe algo inferior á do total das persoas ocupadas, que se sitúa en torno a un 45% en España e un 47% en Galicia no 3º trimestre de 2013. Os homes son maioría entre os músicos, actores, cantantes, técnicos, directores de cinema e teatro e artistas plásticos. Pola contra, hai máis mulleres entre as filólogas, tradutoras, intérpretes, bibliotecarias, arquiveiras, xornalistas, técnicas en museos e galerías de arte, ou escritoras. Consulta aquí o informe (.pdf)
NOS_37408
O portavoz parlamentar do PP recoñece que "con ou sen Feijóo", vai ser "difícil" manter a maioría absoluta.
O futuro de Núñez Feijóo segue a xerar declaracións, opinións e especulacións no seu propio partido á espera de que o presidenta anuncie se recunca ou non como candidato á Xunta de Galiza. Esta fin de semana foi Pedro Puy, portavoz parlamentar dos populares, quen deixou entrever que Feijóo si repetirá. Fíxoo durante unha entrevista na Cadena Ser. "Creo que si", respondeu Puy á pregunta de se Núñez Feijóo repetiría como candidato, afirmando que "ten un compromiso co país, con Galiza, e a xestión que está a facer na Xunta". O portavoz do PP na Cámara galega non considera que haxa en Feijóo "falta de ganas de seguir", senón "xenerosidade" e unha proposta "leal cos compañeiros, aos que dixera que dúas lexislaturas eran abondo". Afirma que non existe "inquietude" ante unha posíbel negativa a repetir e avanza que "con ou sen Feijóo" será "complicado" manter a maioría absoluta nas eleccións galegas. Ao que engade que é "relativamente optimista" porque entra dentro do "razoábel" que o PP teña nas urnas unha "maioría suficiente para gobernar". "Como Felipe González" "O que todos compartimos é que os candidatos que teñen éxito electoral, como no seu día Felipe González ou hoxe Núñez Feijóo, constitúen un dos principais activos dun partido", manifestou Puy, que sostén que Feijóo "é unha persoa ben valorada" e o mellor candidato, mais non o único. Descarta un adianto electoral e aponta a que as eleccións serán en outubro ou novembro, cando se esgote o actual mandato.
PRAZA_15846
As tres relixiosas que deixaron o convento das Mercedarias e as dúas que permanecen declararon que a madre superiora ameazaba coa deportación ás que marchasen A Policía rescata tres monxas indias retidas nun convento de clausura de Santiago
Tres mulleres tomaron a decisión máis importante da súa vida o sábado nun despacho dos xulgados de Santiago de Compostela. Alí contáronlle a outra muller, a xuíza Ana López-Suevos, que non querían volver ao convento de clausura onde pasaran toda a súa adolescencia e mocidade. Por que despois de 15 anos abrían de golpe a porta a unha vida que apenas intúen? A Policía cre que as condicións nas que vivían no convento "anularan a capacidade de pensar" das tres mulleres indias. A Unidade contra as Redes de Inmigración Ilegal e Falsidade Documental (UCRIF) ten decenas de policías afeitos a entrar en prostíbulos cunha orde xudicial e acabar con esa forma de escravitude contemporánea. Esta vez tiveron que oír un relato moi distinto, o dunha muller india de 34 anos que deixara un convento de clausura despois de estar 14 anos e que recibira unha petición de auxilio das súas ex compañeiras a través de familiares. A Unidade contra as Redes de Inmigración Ilegal e Falsidade Documental (UCRIF) ten decenas de policías afeitos a entrar en prostíbulos cunha orde xudicial e acabar con esa forma de escravitude contemporánea. Esta vez tiveron que oír un relato moi distinto "A orixe das mulleres de nacionalidade india, o posterior illamento do mundo exterior, a dureza cotiá que se vive no convento, o persistente labor de adoutrinamento, o traballo excesivo e, no seu caso, a escasa alimentación, producen con toda seguridade un enfraquecemento nas mulleres que anula a capacidade de pensar e valorar o medio no que viven", recolle o informe redactado pola UCRIF da Coruña, elaborado tras escoitar a muller que deixou o convento en 2014. Nyun -nome ficticio, coma o do resto de monxas- traballa agora na casa da muller que se puxo en contacto coa Policía. Os axentes escriben que o relato de Nyun reflicte unha "alteración e control da personalidade traducida en ameazas veladas". Explícitas ou non, esas ameazas pasaban por advertir as mulleres de que a súa decisión de saír do convento implicaría a inmediata deportación á India e o rexeitamento das súas familias. Os testemuños recollidos pola Policía dous días despois de concluír o seu informe coinciden por completo co primeiro testemuño solicitado. Tanto as tres monxas indias que decidiron colgar os hábitos coma as dúas que pediron volver ao convento tras declarar poñen en boca da madre superiora a ameaza da deportación. Tanto as tres monxas indias que decidiron colgar os hábitos coma as dúas que pediron volver ao convento tras declarar poñen en boca da madre superiora a ameaza da deportación "As circunstancias expostas, máis aló de cuestións referentes a disciplina e institucionalización, plásmanse en condutas obxectivas de prolongación, xeneralización e esgotamento do proceso de personalización das mulleres", engade o informe policial, ao que tivo acceso eldiario.es. Pero máis aló do suposto control psicolóxico dunhas mulleres que chegaron adolescentes a un convento de clausura desde outro continente están as "condutas que se presumen delituosas" contra elas. A saber: "Ameazas veladas de ser deportadas se abandonan a congregación, imposibilidade material e circunstancial de escapar do convento, ao ser privadas da súa documentación persoal, traballos no campo asimilados á escravitude". "Moldeamento psíquico" Todo iso, unido ao "moldeamento psíquico" practicado polas superioras ás monxas "fai presumir racionalmente que algunha das monxas, aínda considerando que os métodos do convento poden ser ilícitos, asuman a súa situación", conclúen os policías. A Policía asegura que o convento só ten unha porta e dous xogos de chave en poder de dúas superioras. O Arcebispado de Santiago de Compostela recoñeceu este martes nunha nota que dúas monxas indias do convento das Mercedarias iniciaron o pasado verán "un proceso de discernimento, expóndose incluso á posibilidade de deixar a comunidade chegado o caso". Segundo o seu relato, solicitáronllo formalmente á madre superiora o 14 de xaneiro e esta deu curso á súa solicitude. Pero, segundo o Arcebispado, ningunha delas pediu deixar o convento mentres se resolvían os trámites. A nota di que a partir de que completa a documentación, a Santa Sé tarda aproximadamente un mes en resolver. O Arcebispado asegura que acabou o seu parte do traballo o 21 de xaneiro, dous días antes de que a Policía se presentase no convento. A versión que as mulleres lle deron á xuíza é outra. Dian asegurou no xulgado que hai meses lle trasladara á madre María Luísa que quería ir vivir coas súas curmás, outras ex monxas que viven en Granada, e que a superiora lle contestou que se deixaba o convento "tería que volver de inmediato á India". Tamén lle dixo que "ía consultar se lle daba a tarxeta [de residencia]". Algo cambiou e, segundo Dian, hai dúas semanas volveulle a dicir á madre María Luísa que quería marchar. Esta vez, a única escusa que puxo a superiora é que debía esperar á dispensa papal. No caso de Rhany foi "hai meses" cando lle comentou á madre superiora as súas intencións. "Ela contestoulle que marchase, que non estaban a forzar a ninguén. Pediulle á madre superiora que lle dese a tarxeta e díxolle que non lla daba, que se quería marchar que ía directamente para a India e sen cartón", plasma o instrutor das dilixencias do relato que fai. Kirei dixéralle á superiora: "madre, eu quero marchar, se me dás o meu pasaporte" E a madre María Luisa, segundo o relato da monxa, contestoulle: "Polo de agora non penses nesas cousas". O Arcebispado fala de dúas monxas con solicitudes para marchar e non de tres, e engade que ningunha pediu saír do convento mentres se cumprían os trámites. Na nota non resolve que tería pasado se o solicitaran. Unha das tres monxas recoñeceu ante o xuíz que non chegou a solicitar a dispensa papal. Rhyan non o fixo porque, segundo declarou, "aínda que lla desen, se non lle daban a tarxeta [de residencia] tería que marchar á India". A Policía di no seu informe que, independentemente da dispensa papal "ou outras que se poidan articular canonicamente, a persoa debe dispor da liberdade para facer libremente o que desexe, no caso que nos ocupa, abandonar o establecemento relixioso". "En calquera outro caso achegariámonos a movementos relixiosos de carácter sectario destrutivo e concepcións dominantes noutros tempos no referente á disciplina e institucionalización", engade o informe da UCRIF. Dicíanlles que "se non querían estar aquí [o convento] tiñan que volver á India, porque elas eran a súa responsabilidade e como as trouxeron tamén as tiña que devolver" A versión da ameaza da deportación foi confirmada no xulgado polas dúas monxas indias que decidiron quedar no convento voluntariamente. Unha delas asegurou que as madres lles dicían que se tiñan tarxeta podían vivir en España, pero que tiñan que falar co bispo. Dicíanlles que "se non querían estar aquí [o convento] tiñan que volver á India, porque elas eran a súa responsabilidade e como as trouxeron tamén as tiña que devolver". Rhany tamén asegurou que comezou a pensar en deixar o convento hai cinco anos, cando a súa nai enfermou e non se lle permitiu viaxar a vela. Investigación sobre posibles deportadas No seu auto a xuíza aprecia indicios de posibles delitos contra a integridade moral, detención ilegal, coaccións e ameazas No seu auto a xuíza aprecia indicios de posibles delitos contra a integridade moral, detención ilegal, coaccións e ameazas. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia explicou este martes que a investigación tratará de determinar se, como narran as monxas, dúas compañeiras indias que decidiron deixar os hábitos en 2011 foron metidas pola congregación nun avión e enviadas á India sen a súa tarxeta de residencia. A segunda monxa que decidiu quedar no convento declarou en sede xudicial que lle consta que a madre superiora non lles entregou a súa tarxeta de residencia ás compañeiras que decidiron colgar os hábitos. As cinco que prestaron declaración están convencidas de que foron enviadas á India, cumpríndose así a ameaza da deportación para as que quixesen seguir o seu camiño. O Arcebispado alude no seu comunicado a unha monxa que decidiu colgar os hábitos hai "uns dous anos" tras unha estancia na India: "Realizáronse con toda celeridade os trámites internos canónicos de enclaustración e dispensa de votos que quedaron concluídos o 31 de marzo de 2015, asinando a interesada o rescripto emitido pola Santa Sé". Segundo isto, o trámite prolongouse durante un ano. Só poden falar dúas veces ao ano por teléfono coas súas familias, a súa correspondencia é revisada pola madre superiora, así como as conversas telefónicas Todas as monxas, engade, viaxan cada sete anos un total de dous meses á India. As dúas relixiosas que solicitaron formalmente marchar fixérano hai un ano e medio, engade o Arcebispado. Kyurun asegura que os seus familiares na India lle dixeron que hai outras mozas na mesma situación en distintos conventos de España. Se o saben é porque as familias desas mulleres así llo trasladaron aos seus. As tres monxas que deixaron agora o convento non aluden á dureza das condicións de vida da clausura para adoptar a decisión. E iso, a pesar de que só poden falar dúas veces ao ano por teléfono coas súas familias, a súa correspondencia é revisada pola madre superiora, así como as conversas telefónicas. Tampouco se queixan de ter que traballar entre apenas unha decena de relixiosas unha horta de case 4.000 metros cadrados, nin do frío ou os madrugóns. Só queren comezar unha vida nova en España.
NOS_22328
A policía trata os feitos como un atentado terrorista.
Un home disparou esta terza feira no Bulevar de Avroy da cidade belga de Liexa matando dous policías e un viandante antes de ser el propio abatido polas forzas de seguridade. Hai varias persoas feridas. Según fontes policiais esta persoa atrincheirouse cunha muller, que traballaba no instituto Leonie de Waha, como refén. O tiroteo tivo lugar no café perdo do centro de ensino. Liexa xa fora escenario dun tiroteo en 2011, cando un pistoleiro matou catro persoas e feriu varias ducias antes de suicidarse. Bélxica está en estado de alerta máxima por ameaza terrorista. La police évacue le boulevard #fusillade pic.twitter.com/bQejS9ngjl— Stéphanie Fellen (@stef_e) 29 de maio de 2018
NOS_22627
Este ano non haberá a tensión dramática da elección anterior, cando Alonso Montero gañou sobre Manuel González por só un voto, pero as augas da RAG aínda non baixan tranquilas.
Finalmente non haberá candidatura alternativa á de Víctor Fernández Freixanes. Logo dunha xuntanza na tardiña da pasada sexta feira, a oposición na Academia -da que o seu membro máis visible é o anterior secretario no mandato de Méndez Ferrín, Xosé Luís Axeitos- decidiu que non presentaría candidatura. Sen embargo, non hai que descartar movementos de desacordo tanto no pleno como de forma posterior, pois a paz aínda non está asinada. Boa mostra diso son as declaracións de Axeitos na prensa ao respecto das últimas semanas, a pesar de que houbo xestións para conseguir unha candidatura de consenso, pero non foi posible chegar a un acordo. Así que Víctor Freixanes, logo da súa retirada como director da editorial Galaxia, será elixido novo presidente da institución máis antiga do galeguismo mañá terza feira nun pleno extraordinario que comezará ás 18.30 horas. A súa candidatura foi rexistrada o pasado 24 de marzo a proposta dos académicos Xesús Alonso Montero, Margarita Ledo Andión e Antón Santamarina Fernández, segundo informou a propia RAG. O pontevedrés substituirá o catedrático Alonso Montero, de 89 anos, que rematou o pasado 17 de marzo a súa etapa como presidente logo de catro anos non exentos de polémica, sobre todo ao comezo. Lembramos que Alonso fora elixido só cun voto máis por riba do outro aspirante, Manuel González, nunhas apretadas eleccións despois da polémica demisión do anterior presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, o 25 de febreiro de 2013. A partir de agora dous vellos amigos da mesma quinta gobernarán as dúas principais institucións culturais do país: Ramón Villares (Xermade, 1951) o Consello da Cultura e Víctor F. Freixanes (Pontevedra, 1951) a Academia Galega.
NOS_20999
A participación foi de 72%. O non representou 7,3% dos votos.
A Alta Comisión Electoral do Curdistán iraquiano anunciou que máis de 92% dos votantes no referendo de independencia desta segunda feira votou si embora a oposición do goberno central e da comunidade internacional. Nunha comparecencia de imprensa na capital do Curdistán iraquiano, Erbil, o responsábel da CEC, Handarin Mohamad, anunciou que 92.73% das máis de 3 millóns de persoas que acudiron ás urnas apoiou a independencia, nunha consulta que rexistrou unha participación dde 72,16 por cento. Ademais, 7,27% votou polo non e houbo 1,21% de voto nulo. Mohamab salientou que o refrendo desenvolveuse con normalidade, "sen problemas" e que diso foron testemuñas os observadores internacionais. Tamén anunciou que os resultados serán considerados definitivos cando sexan confirmados polo Tribunal de Apelacións do Curdistán, mais non concretou a data. As autoridades curdas destacaron en días pasados que a independencia non sería declarada após se coñecer os resultados do referendo senón que apostaban en abrir un proceso de diálogo con Bagdag. Porén, desde Iraq xa desbotaron dialogar. Bagdag xa anunciou que non pensa falar co goberno autónomo do Curdistán sur sobre os resultados do referendo de autodeterminación pois é "ilegal" e vai contra a constitución e integridade territorial
NOS_23187
Iván Méndez é filólogo galego, aínda que a maioría da xente o coñecerá pola conta de Twitter "Éche o que hai, Iván" (@echeoquehai), que vén de gañar a edición 2019 do Galitwitter, concurso no que a comunidade desta rede social vota a súa conta favorita do ano. O coruñés impúxose aos chíos de @emgalego nunha final moi axustada, con 50,1% dos votos.
Considera que está o galego normalizado nas redes? Ese é un tema bastante complexo. As redes sociais viven certa normalidade, hai moita xente que na súa vida diaria non ten o galego como lingua habitual, pero que se expresa nela en internet. De feito, case hai unha certa burbulla do uso da lingua, parece moi de xente nova e de ámbito urbano cando son os eidos nos que vive peor. Tamén é importante, por exemplo, que o Twitter estea en galego. É un logro bastante grande, hai moi poucos idiomas que teñan a interface na súa lingua, como tamén pasa en Facebook. Instagram, que é moito de mocidade, non ten versión en galego. Quedan moitos ámbitos por dinamizar. Máis alá do uso reivindicativo que fan algunhas persoas, cómpre que sexa máis estendido a outros ámbitos. As redes sociais demostran unha vitalidade importante da lingua galega, pero de aí a estar normalizado penso que queda moito. A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.
PRAZA_20834
O músico e compositor de orixe galega envía un vídeo interpretando o retrouso da canción que serve como himno ao rexeitamento do plan urbanístico.
Manu Chao envía un vídeo de apoio á loita veciñal de Labañou contra o proxecto urbanístico das PercebeirasO músico e compositor francés de orixe galega Manu Chao quíxose unir ao rexeitamento do proxecto urbanístico impulsado na agra das Percebeiras, no barrio coruñés de Labañou. O artista, fillo do escritor e xornalista Ramón Chao, enviou un vídeo de apoio á asociación de veciños, que loita contra un plan avalado xa polo Concello da Coruña e pola Xunta de Galicia e que prevé a construción de dez edificios de entre tres e 14 alturas ao pé do mar nunha das escasas amplas zonas verdes que quedan na cidade. Nun comunicado, Manu Chao expresa o seu rexeitamento a un proxecto "no último anaco de terreo libre e aberto ao océano atlántico do barrio obreiro de Labañou" e acusa as administracións de "priorizar a especulación fronte aos intereses das veciñas" e de "levarse por diante un espazo aberto e verde que é unha enorme oportunidade para unha cidade como Coruña, con moi poucos parques". O músico e compositor de orixe galega interpreta o retrouso da canción composta pola Percebeiras Band contra o plan urbanísticoManu Chao gravou un vídeo interpretando o retrouso da peza composta pola Percebeiras Band, un grupo formado por Miguel Ladrón (voz e guitarra), Tito Ritman (baixo e voz), Pablo Añón (saxo) e Arthur B. Kress (batería). A canción serve como himno reivindicativo da veciñanza, que se opón á construción destes edificios polo impacto social, paisaxístico e medioambiental que tería no barrio, e que reclama un parque no lugar onde hai previstas 371 vivendas que ocuparían case 56.000 metros cadrados. "Sonche das Percebeiras, sonche de Labañou, veño erguer o canto, en contra da especulación. Non queremos pelouros, queremos sentir o sol. Fóra das Percebeiras, fóra de Labañou", di parte da letra. O proxecto, malia as moreas de alegacións presentadas, conta xa co visto e prace inicial do Concello da Coruña e tamén co aval da Xunta, que aprobou o informe de impacto ambiental. A asociación veciñal estudará acudir á vía xudicial no caso de que o proxecto sexa definitivamente apoiado polo pleno municipal da CoruñaNa avaliación ambiental publicada xa, a Xunta considera "aceptable" a integración paisaxística malia recoñecer o "apantallamento" do mar e da Torre de Hércules e suxire solucións de tipo estético pola "alta visibilidade que terán os edificios" na bahía do Orzán. Tamén expresa dúbidas sobre como influirán na contorna tres dos dez edificios, o máis alto e os dous máis achegados á costa. E pide "estudar en detalle" a forma de resolver a envolvente conxunto dos dous bloques ao "non resultar clara a incidencia de tal solución na marxe final desta área". Na asociación de veciños do barrio, ao igual que fan Marea Atlántica ou BNG, censuran ademais que o Concello blinde o litoral nas Xubias cun cambio no plan xeral, paralizando un ano a concesión de licenzas urbanísticas e revisando o planeamento urbanístico para rebaixar a edificabilidade mentres mantén o plan previsto para As Percebeiras. O colectivo --que conta co apoio do movemento veciñal corués e de ducias de colectivos-- entende tamén que o plan das Percebeiras non se adapta ás repetidas políticas pola sustentabilidade, de loita contra o cambio climático ou prioridade ao espazo peonil e ao transporte alternativo plasmados en documentos estratéxicos concretos. Moito menos ás reivindicacións aos espazos verdes e abertos que xurdiron coa chegada da pandemia e as dúbidas sobre os modelos de habitabilidade, máis nunha cidade con elevada densidade de poboación e carencia de parques. A asociación veciñal prevé presentar alegacións no trámite de información pública e, no suposto de que o proxecto sexa definitivamente aprobado polo pleno municipal, estudará a vía xudicial. Será, advirten, un proceso longo no barrio de Labañou, que agora conta co apoio dun músico con relacións de amizade na zona. "Estamos xuntos, Coruña", di ao final do vídeo.
NOS_23545
Na Coruña, despois de 30 anos de administración privada do transporte público de viaxeiros, abriuse unha oportunidade (hai agora un ano) de recuperar o servizo para a xestión directa do concello. A Compañía de Tranvías, centos de miles de euros de beneficios cada ano, resístese a que se dea por finalizada a concesión, e a Marea Atlántica esquece no caixón a súa listaxe de compromisos urxentes (este era un deles). O BNG teima e di que non faltarían cartos, que o que falta é vontade. Díaz Grandío, o concelleiro responsábel, cala.
Pasaron dous anos e pico desde que a Marea Atlántica alzara o bastón de mando do goberno municipal da Coruña prometendo que ían recuperar as institucións para a xente. Prometendo recuperar a cidade para a xente. Mesmo recuperar as concesións de servizos municipais para a xente. Pasaron dous anos e pico e o billete de bus urbano segue custando igual, a mesma compañía privada segue recadando iguais beneficios, as liñas son as mesmas, as frecuencias e a resignación da xente, a mesma xente, seguen igual que antes. O peor non é que o goberno municipal non teña sido quen de cumprir as promesas nin que o billete e o servizo sigan igual para lucro da Compañía de Tranvías a custa da xente. O peor é que a Consellaría de Mobilidade, a de Daniel Díaz Grandío, membro de Equo, un anexo na estrutura da Marea, renuncie xa a defender a súa xestión sen froitos. Non os houbo, cando menos, no que respecta ao eixo sobre o que pivota calquera política de mobilidade urbana: a xestión do transporte público de viaxeiros. Hai uns días o BNG saíu na prensa cun rotundo balanzo da xestión de Díaz Grandío: "Cero metros de carril bus, cero metros de carril bici, cero liñas de autobús renovadas, cero prazas en aparcamentos disuasorios, os mesmos coches na Cidade Vella e a concesión á Compañía de Tranvías prorrogada". O conselleiro non deu nin chío. Tampouco quixo comparecer nesta reportaxe. Así que aquí o debate redúcese ao BNG intentando facer que a Marea Atlántica cumpra o seu propio programa e a Compañía de Tranvía intentando que o Concello cumpra o contrato asinado hai 31 anos. A prórroga En novembro de 2016, o BNG advertiu da posibilidade de iniciar o camiño para a remunicipalización do servizo de buses apelando a un regulamento europeo de 2007 que limitaba o vigor de calquera concesión municipal a trinta anos. O goberno declarou entón a caducidade da concesión, pero no mesmo acordo incluíu unha consulta á Comisión Europea sobre a aplicabilidade do regulamento e unha prórroga de dous anos á Compañía de Tranvías. "A Compañía non comparte a interpretación establecida pola Asesoría Xurídica do Concello da Coruña do regulamento 1370/2007. Cremos que a interpretación correcta non foi aínda establecida oficialmente por ningunha autoridade europea e que o regulamento non é claro ao respecto, que a interpretación do Concello pode vulnerar os principios de seguridade xurídica da UE, e que non se corresponde co establecido noutros casos similares en Europa", indica José Ignacio Prada Vázquez, director da Compañía de Tranvías de La Coruña, S.A. nunha resposta por escrito. A empresa expuxo un recurso de reposición que o concello rexeitou. E en xuño pasado iniciou un recurso contencioso-administrativo. Por diferentes motivos, o BNG maniféstase tamén en contra da prórroga. "Entendemos que debe declararse a caducidade da concesión, pero non tería que térselle concedido prórroga algunha porque é un servizo público que a compañía está obrigada a seguir prestando. Igual que cando se declarou a caducidade neste concello da concesión para o servizo de axuda a domicilio", lembra Avia Veira, representante nacionalista na Coruña. Veira insiste en que Europa abre unha vía para a remunicipalización, que sen Montoro estrangulando aos concellos, existen fórmulas para asumir os custes, e que "é absolutamente necesario porque a Compañía de Tranvías demostrou a súa ineficacia para prestar un servizo digno" mentres se levaba cartos a moreas, "uns 25 millóns de euros desde o 2009". "A maioría dos beneficios obtidos son destinados a reservas", responde Prada, "que garanten a capacidade de investimentos e da renovación da frota". E relata algúns dos últimos investimentos: a compra de vehículos do modelo Cítaro (Mercedes-Benz) "cun sistema que minimiza as emisións de gases", a adaptación da frota até conseguir un cento por cento de accesibilidade e "a renovación continua da nosa app para mellorar a información". "Ningunha empresa privada se ten que beneficiar dunha necesidade de servizo público", sosteñen no Bloque. "Se houbese unha xestión pública directa, pensaríase máis na calidade, nos horarios, nas liñas, no prezo e nas tarifas que en tirar rendementos para unha empresa". O plan e o prezo O plan do goberno municipal pasa por facer un novo concurso que deixe en mans dunha empresa privada o servizo. Xa ten aprobada unha modificación orzamentaria para incluír 17.000 euros que custará a elaboración do novo prego. "Nin sequera estudaron a posibilidade de remunicipalizar", láiase Avia Veira. "Así que todo ficará como esta e o concello non poderá facer nada sen que a empresa lle dea o visto bo, como pasa hoxe e por iso nada se muda". O plan do goberno parece encamiñarse a manter a concesión, e que sexa a mesma compañía -na práctica funciona coma un monopolio porque non hai outras empresas no país que poidan entrar en competencia- a que xestione o transporte a cambio dunha rebaixa do prezo do billete, o máis caro do país. "O prezo pódese revisar anualmente en función de que se actualicen os prezos da nosa estrutura de custes", di a Compañía, "e o Concello ten liberdade de establecer as bonificación aos usuarios que considere oportunas". O que sucede, precisa o Bloque, é que o Concello "paga case 9 millóns ao ano, a cantidade contemplada no orzamento, para compensar ese desfase entre a tarifa xeral, o 1,30, e as bonificacións e descontos pola tarxeta". Resultado, Tranvías sempre cobra 1,30 euros, vía directa ou vía compensación a través do orzamento municipal. "Non é unha simple cuestión de prezo", subliña Avia Veira, "do que se trata é de darlle unha volta á mobilidade na cidade, e iso pasa necesariamente por darlle unha volta ao transporte público. E tampouco é o mesmo que a recadación sexa pública, a que derive en beneficios privados". A Semana da Mobilidade, cuxa actividade máis relevante consistiu no corte de varios carrís da vía no Cantón Grande para aparcar uns autos e pasalos polo spray dos grafiteiros como unha advertencia aos autos de que algo novo vai a ocupar seu espazo… sen que se saiba moi ben o que, rematou e a vida e a circulación e os traslados seguen igual, con prórroga, pero o mesmo. Nota: as fotos que van inseridas no meio do texto, da autoría de E.D., son (1). Daniel Díaz Grandío, concelleiro de mobilidade do goberno local de A Coruña; (2). Avia Vieira, concelleira do BNG; (3). Autobuses urbanos das liñas 14 e 22 que circulan por Ronda de Outeiro.
NOS_36908
Xunto coa representación da Consellaría de Sanidade, trasladou a súa negativa a da Comunidade de Madrid. Aliás, contabilizáronse cinco abstencións no marco da comisión. En calquera caso, a proposta saíu adiante e as persoas maiores de 70 anos comenzarán a ser inoculadas o 25 de outubro, coincidindo coa campaña de tratamento fronte a gripe.
A Comisión de Saúde Pública, cuxos membros se reuniron hoxe, vén de acordar que se administre unha terceira dose da vacina contra a Covid-19 ás persoas maiores de 70 anos.A decisión foi tomada entre as e os representantes do Ministerio de Sanidade e dos distintos territorios. Malia que as primeiras informacións de Europa Press indicaban que a Galiza votou en contra desta medida preventiva, fontes da Consellaría de Sanidade aclararon que o Goberno galego está a favor desa terceira dose. O fármaco se administrará a este sector da cidadanía a partir do 25 de outubro. Será sempre e cando xa pasaran seis meses desde que cada persoa recibiu a segunda dose do remedio fronte ao coronavirus e que se administre "en lugares anatómicos distintos". Está previsto que a inoculación chegue ao tempo que a vacina da gripe común e, segundo Sanidade, foi neste punto no que a Galiza tivo dúbidas e por iso votou en contra. Curiosamente, a Xunta pedira que no caso de chegar esta terceira dose se fixera coincidir coa campaña contra a gripe, mais hoxe considerouse que é preciso estudar se ese solapamento -polo que, supostamente, se preguntou na quenda de votacións- é a mellor fórmula. Aliás, déronse 12 votos a favor e cinco abstencións. "O obxectivo é aumentar a protección das persoas máis vulnerábeis. Co acordo adoptado continúase a liña que recolle a Estratexia de Vacinación fronte á Covid-19 en España e que a evidencia científica mostrou que a idade é o principal factor de risco", explicaron fontes do ministerio. O fármaco se administrará ás persoas que corresponda a partir do 25 de outubro O obxectivo é que, nun futuro próximo, poida ser acordada a campaña de reforzo en persoas maiores de 65 anos. Contexto Desde o pasado 16 de setembro está aprobada a dose adicional da vacina en persoas con transplante de órgano sólido, os receptores de transplante de proxenitores hematopoéticos e as persoas en tratamento con fármacos anti-CD20, así como aquelas con certos tratamentos inmunosupresores, de moi alto risco, e as residentes en centros de maiores. A Axencia Europea do Medicamento (EMA) pronunciouse nesta terza feira sobre as doses de reforzo. En concreto, sinalou que se pode administrar unha terceira dose de Pfizer porque é "segura e eficaz", aínda que deixou a decisión sobre a súa administración a cada nación. Tamén hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, indicou que estaban á espera da decisión que se adoptase a nivel nacional, no seo do Consello Interterritorial. En días pasados, xa avanzou a postura da Galiza a favor de administrar as dúas doses de forma conxunta.
NOS_14767
40.000 menores de idade foron enquisados nunha análise da USC.
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaborou co Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (Unicef) na realización dun estudo sobre o impacto da tecnoloxía na adolescencia. Este informe aplicou escalas validadas internacionalmente para a análise do benestar emocional e o risco de depresión. Cunha mostra de máis de 40.000 adolescentes entre os 11 e os 18 anos, a investigación constatou que 15% de adolescentes presenta síntomas graves ou moderadamente graves de depresión. Ademais, a taxa de ideación suicida (tendencias ao suicidio) sitúase en 10,8%, o que evidencia "a necesidade de definir políticas públicas que actúen neste eido", sinalan os responsábeis do estudo, que foi coordinado polo profesor da Facultade de Psicoloxía da USC Antonio Rial Boubeta. "É significativo observar as diferenzas e fendas entre os distintos grupos de adolescentes enquisados, o que nos permite unha aproximación a factores sociais que inciden no benestar emocional da adolescencia", apunta o estudo. Centrándose en quen presenta síntomas graves ou moderadamente graves de depresión, a análise demostra que é superior no caso das mozas (21,8%) que no dos mozos (7,7%); e o dato multiplícase por tres no caso daquelas persoas que non se identifican nin como mozos nin como mozas, alcanzado 46,5%. Os factores da idade e da orientación sexual No caso da idade, os síntomas de depresión increméntanse entre as de maior idade (18,7% no rango de 16-18 anos fronte ao 12,6% no de 11-13 anos). En función da orientación sexual, tamén hai fendas significativas: no caso de quen se identifica como totalmente heterosexual, está cinco puntos por baixo da media (sendo do 9,8%) e no caso de quen se identifica con orientacións sexuais non heterosexuais, a taxa media multiplícase case por tres (44,6% no caso de bisexuais e 39,7% no caso de homosexuais). Alén do máis, cabe destacar que os mozos e mozas que viven en centros de protección duplican a media con respecto a síntomas de depresión graves ou moderadamente graves, sendo no seu caso de 32%. A saúde mental na Eurocámara A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu esta terza feira no pleno do Parlamento europeo a necesidade de incrementar os recursos destinados á saúde mental e subliñou a importancia de que se produza un debate na Eurocámara sobre a cuestión "como paso fundamental na loita contra o illamento, o suicidio, a estigmatización, a discriminación, os estereotipos, as carencias materiais e afectivas e a pobreza". Galiza, denunciou, "está á cola do Estado español na dotación de profesionais especialistas de saúde mental, de forma que os profesionais existentes representan o 68% do preciso en psiquiatría", e "o 50% do de psicoloxía". Ademais, puxo de manifesto que "na sanidade pública galega tampouco hai unha unidade de prevención do suicidio por área sanitaria, carencia moi preocupante xa que en Galiza un total de 331 persoas faleceron por suicidio en 2021".
QUEPASA_462
A RFGF manterá este luns unha reunións cos clubs da Costa
Este luns 14 hai reunión virtual da Real Federación Galega de Fútbol cos equipos da Costa de 1ª, 2ª e 3ª Galicia. Unha reunión para a que xa sabemos que o Porteño non vai saír competir pola dificultade dos protocolos, pero para que hai moitas incógnitas, como a do Soneira que se vía na Preferente e a día de hoxe ten praza teoricamente na 1ª á expensas de que a Federación Española aprobe o ascenso do Boiro á 3ª División, o que provocaría o arrastre cara arriba do equipo soneirán. "Imos ir ata o final", aseguran dende o cadro soneirán. En todo caso, como previa, queremos analizar que opinan os clubs de Preferente sobre a proposta competicional da RFGF de Preferente para a tempada 20-21. Unha proposta que fai dous subgrupos e que pretende comezar a finais de outubro ou comezos de novembro. O presidente do SD Sofán, Ricardo Tasende, que se perfilaba bastante crítico hai un par de semanas, considera "bo o Plan Competicional, sempre que se poida empezar nas datas sinaladas".Dende a súa opinión, a distribución beneficiaría á SD pois tería desprazamentos menos longos pois "é certo que os de Ferrol é Lugo fan o doble de quilómetros que nós, polo que estando dacordo en facer unha distribución por quilómétros, imos presentar unha proposta alternativa para equilibrar algo máis as distancias entre todos", falando en alusión ao grupo de 14 clubs que manteñen conversas (Atlético Arteixo, Boimorto CF, Betanzos CF, SDC Galicia Mugardos, Laracha CF, SD Sofán, Puebla CF, San Tirso SD, SD Dubra, Sigüeiro CF, Noia CF, SD O Pino, Victoria CF, CD Boiro). O propio adestrador vermellón, Alberto Rodríguez, considera que "será unha primeira fase igualada ao ser máis curta. Esperamos con moitas ganas as datas de comezo e o protocolo para tratar de chegar nas mellores condicións posibles despois de tanto tempo sen competir". Dende o Xallas FC, a presidenta Bea Velo, que tamén estará na reunión desta tarde en representación do Xallas B, que sae a competir na 3ª. considera que "os grupos están formados como mellor puideron. A nós parécenos ben porque non temos moitos kilómetros, pero poñernos a gusto a todos é imposible. É certo que o equipos do outro grupo teñen máis quilómetros pero moitos por autopista". Critica, dos protocolos, sobre todo que se dea por perdido un partido se non se pode disputar un encontro reiteradamtente por un caso positivo, e sobre as datas para comezar ten unha doble impresión. ·Se esperamos porque esperamos, se non esperamos mal tamén… Penso que hai que empezar a darlle para adiante, pero se imos empezar e despois imos ter que parar…". David González, adestrador xalleiro, considera que "aínda non se sabe demasiado e está todo no aire", pero valora como "algo esperado o tema de ascensos e descensos e a distribución dos subgrupos". "A hora de facelo corto está ben facelo por proximidade, pois os partidos, os partidos terán máis interese se finalmente deixan entrar ao público. Considera as datas correctas, "sempre que haia tempo para prepararnos", e sobre os protocolos considera que "se todo o mundo pon da sua parte, poderanse levar ben", e pon de exemplo como están traballando as escoliñas ou os centros de ensino.
NOS_3049
Recoñecen que a súa iniciativa de que fose Galiza pola Soberanía quen impulsase un Día da Patria unitario "non tivo eco".
"A nosa proposta de que fose Galiza pola Soberanía quen 'liderase', por dicilo así, o 25 de xullo non tivo eco". Fontes de Causa Galiza recoñecen que após non callar a súa proposta de que este Día da Patria decorrera unha mobilización unitaria de soberanistas e independentistas, o escenario implica máis unha vez que Compostela acollerá diferentes manifestacións o 25X. En contraste, apontan, co que vai acontecer no ámbito 'xuvenil', que foi quen e por segunda ano consecutivo de artellar e convocar unha manifestación unitaria e pola independencia, o 24 de xullo. Causa Galiza manifestarase este 25 de xullo baixo a palabra de orde 'Independéncia. Para poder vivermos con dignidade no nosso país'. A plataforma independentista salienta o "escenario especial" deste Día da Patria derivado do 'estado de excepción' ao que se somete a capital neses días, acrecentado pola presenza en Compostela de Felipe VI e o primeiro aniversario da traxedia de Angrois. "O noso traballo nestas semanas centrarase en activar o corpo social para contestar a presenza do rei español e a cerimonia de confusión do Estado sobre o sinistro de Angrois". Responsabilidades e unidade de acción A finais de maio Nós-UP fixo unha proposta sobre unha mobilización unitaria para o Día da Patria, mais a iniciativa non callou. Fontes de CG apuntan a que nen sequer se chegou a facer unha xuntanza. Consideran que ao non se sumar o BNG á chamada, os convocantes "desbotaron estudar outros escenarios".Desde Causa Galiza fixeran a proposta de que fose Galiza pola Soberanía quen convocase para o 25X, "mais tampouco tivo eco". A organización independentista considera que a proposta frustrouse porque o BNG non vía "nin condicións nin madurez" para que GpS fose a convocante O relato de Causa Galiza afirma que, autodescartado o BNG da ecuación, propuxo a Nós-UP unha manifestación conxunta das 2 organizacións "baixo un formato a determinar". Mais a Unidade Popular "declinou a proposta", din.
PRAZA_5521
David Reinero recolle o premio Xosé Aurelio Carracedo polo seu libro Angrois: o AVE en anacos, coeditado por Praza Pública. O xurado valorou a visión "ampla, crítica e obxectiva" sobre o accidente no relato xornalístico.
Este sábado era o Día da Liberdade de Prensa e en Ourense reivindicouse o xornalismo. Foi no marco da entrega do premio Xosé Aurelio Carracedo, que neste 2014 recaeu no xornalista David Reinero polo seu libro Angrois: o AVE en anacos, coeditado por Praza Pública. No acto, celebrado na sede da Deputación ourensá, que organiza anualmente o certame, o autor aproveitou para reivindicar o oficio xornalístico nun tempo no que "hai quen pensa que as noticias medran gratis en Google e que os xornalistas non precisamos comer". Distinguido pola visión "ampla, crítica e obxectiva" do accidente ferroviario do Alvia en Compostela, Reinero eloxiou que este galardón, "fronte a outros que premian formatos concretos, como os artigos de opinión" ou "medios ou sistemas de difusión puntuais", sexa "tan amplo como para acoller calquera proposta co único requisito de que sexa xornalismo". Porque, isto, precisamente, é o que fixo na súa obra, que "non é un libro, senón unha reportaxe xornalística longa", un "relato divulgativo contextualizado que recapitula o traballo xornalístico diario que me permiten facer en El País desde que cheguei ao lugar do accidente á media hora de que se producira". Reinero recolleu o Xosé Aurelio Carracedo por 'Angrois: o AVE en anacos' Acompañado polo presidente da Fundación Praza Pública, Manuel Martínez Barreiro, Reinero agradeceu que o xurado "premiou o xornalismo" cando "non son bos tempos" para esta profesión". De xornalismo falou tamén no seu discurso o presidente ourensán, Manuel Baltar, quen encadrou o relato xornalístico de Angrois: o AVE en anacos na "xornada, previa ao noso día nacional, onde a solidariedade e a reacción da sociedade amosou unha Galicia humana e altruísta". "A xente ten dereito a coñecelo todo, a que se comparta toda a información, á máxima transparencia", sinala, e por iso "debe ser obriga das administracións facilitarlles todos os datos posibles" á prensa "e dos xornalistas, actuar como vehículo do acontecido". "Os xornalistas, ante todo, son cidadáns, como os gobernados pero tamén como os gobernantes e hoxe é un magnífico día para reivindicar o papel do xornalismo e a súa necesidade como piar fundamental dunha democracia consolidada", sinala.
NOS_2617
O anuncio especifica que o edificio sería vendido sen amoblar, o que demostraría o espolio de bens denunciado polo BNG e diferentes colectivos.
A familia do ditador Francisco Franco, a través da inmobiliaria Philippot&Loyd Real State, vén de pór novamente á venda a Casa Cornide, na Coruña, a pesar de que esta conta xa coa protección patrimonial como Ben de Interese Cultural (BIC). A Casa Cornide, coa declaración BIC, xa está un paso máis perto da protección fronte aos Franco O inmóbel dispón desta condición de protección especial desde maio de 2021, cando a Xunta da Galiza aprobou a incoación do expediente para declarar a Casa Cornide Ben de Interese Cultural. Porén, os herdeiros do militar golpista, propietarios deste ben patrimonial, volveron poñelo a venda, como xa fixeran en 2020. O anuncio é practicamente o mesmo que o publicado naquela data. No portal inmobiliario Fotocasa, Philippot&Loyd Real State destaca que se trata dunha "casa ou chalé" na Cidade Vella, con 11 habitacións, 13 baños e 1.430 metros cadrados, ademais de 287 metros cadrados de terreo. Os Franco poñen á venda a Casa Cornide "Exclusiva propiedade do ano 1900, reformada en 1964 e recentemente no 2018 (con estrutura metálica, de formigón e pedra)", sinala o anuncio de venda, que vai acompañado de varias imaxes da fachada do edificio. Sen amoblar Nas especificacións do anuncio, a maiores de sinalar que o inmóbel conta con aparcadoiro privado, consta que o comprador ou compradora adquirirá a Casa Cornide sen que esta estea amoblada. O BNG denuncia que os Franco retiran bens da casa Cornide Nos últimos dous anos, formacións políticas como o BNG e colectivos como Defensa do Común denunciaron que a familia Franco estaba a retirar os bens que se atopan no interior do edificio, de maneira semellante a como xa intentaron facer no Pazo de Meirás, no concello de Sada. A organización nacionalista foi advertida por veciños que se atopaban na Cidade Vella da presenza dunha furgoneta diante do palacete e de que estaban a cargar o vehículo con bens que se atopan no interior da casa. Defensa do Común alerta que os Franco continúan a retirar bens da Casa Cornide Pola súa parte, Defensa do Común presentou o 30 de decembro de 2020 un escrito á Subdelegación do Goberno español na Coruña, sinalando que, "con nocturnidade, apareceu na Casa Cornide unha nova furgoneta de aluguer con dous operarios".
NOS_6059
Por outra banda, retomarase a partir da segunda feira, 18 de maio, a actividade presencial nas 23 bibliotecas, museos e arquivos xestionados pola Xunta.
O estudantado universitario que estea matriculados en centros de educación superior da Galiza poderá moverse entre os catro territorios ou provincias en que o Estado español divide o país ─Lugo, Ourense, Pontevedra e A Coruña─ para ir recoller apuntes á cidade en que estuda. Así se acordou neste sábado, 16 de maio, na novena reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) que mantivo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e representantes da Delegación do Goberno español na Galiza. Neste encontro decidiuse que os alumnos matriculados nalgunha das tres universidades do Sistema Universitario do país deben estar autorizados para se desprazaren a recoller os seus apuntes e os efectos persoais que deixaron no lugar onde residían até o momento da suspensión das aulas, xa que o interpretaron como "unha situación de necesidade". Para poder xustificar a mobilidade, cada universidade habilitará o proceso correspondente coa emisión dun certificado "persoal e intransferíbel" que facilitará a realización dunha soa viaxe á cidade universitaria galega onde o estudante estea matriculado. Ademais, este permiso só autoriza á recollida dos efectos persoais e desaloxo da vivenda, no caso de que sexa oportuno debido ao fin do contrato, e tamén á recollida de material en residencias universitarias. Biblioteca, museos, arquivos Por outra banda, retomarase a partir da segunda feira, 18 de maio, a actividade presencial nas 23 bibliotecas, museos e arquivos xestionados pola Xunta, baixo un protocolo que segue as indicacións fixadas polo Ministerio de Sanidade e que foi abordado cos representantes sindicais. As bibliotecas reiniciarán esta actividade na segunda feira coa activación do préstamo e devolución de materiais e de lectura en sala. Na Cecop precisouse que os fondos que se devolvan terán que pasar unha corentena de 14 días antes de volver estar a disposición da cidadanía. Os museos, pola súa banda, abrirán a partir da terza cun terzo do seu aforo e sen visitas en grupos. Mentres tanto, nos arquivos prevalece a atención telemática e a presencial se reserva para casos imprescindíbeis e baixo cita previa.
NOS_2138
Hoxe entran en vigor os novos protocolos para a hostalaría galega. Novas pautas de funcionamento que o Goberno galego impón nun dos poucos sectores que continúa coas restricións da pandemia. A Hostalaría Federada Galega (Hosfega) avisa das dificultades que teñen para cumprir as citadas normas.
O novo protocolo de restricións para os estabelecementos de hostalaría na Galiza que entra en vigor esta cuarta feira non foi ben acollido por unha boa parte do sector. O anuncio das novas medidas realizado o pasado 8 de setembro polo presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, deixa sen resolver moitas das demandas do ramo. Desde a Hostalaría Federada Galega (Hosfega), constituída por máis de 4.000 negocios e ao redor de 30 colectivos de todo o país, alertan das dificultades que terán para cumprir a nova normativa cando "unhas horas antes de que entre en vigor aínda non foron publicadas no Diario Oficial da Galiza (DOG) e non temos toda a información para poder aplicalas". Sergio Fernández, vicepresidente de Hosfega e propietario dun estabelecemento en Compostela, afirma, en declaracións a Nós Diario, que agora "non é o momento de meter máis restricións" como as que se implementan desde hoxe. Considera un "erro" saber das novas normas "só por un breve documento que nos facilitaron" e polas informacións dos medios de comunicación. "Igual volven facer como noutras ocasións e publican de véspera", indica. Modalidades con dificultades As medidas anunciadas pola Xunta, que terán continuidade no tempo, segundo Feixoo, implican optar entre dúas modalidades. Na de tipo 1 rexerá unha distancia 1,5 metros entre mesas, empregarase medidor de CO2 con anotación de datos cada catro horas e o persoal levará máscaras cirúrxicas que se teñen que renovar cada catro horas como mínimo. A ocupación que se lles permitirá, coa barra fechada, será de 50% en interiores e 75 % nas terrazas. Na de tipo 2 a distancia de 1,5 metros deberá ser entre clientes, controis constantes de CO2, persoal con máscaras FFP2 e que deberán pasar probas periódicas de PCR ou de antíxenos para confirmar que son negativos. Neste caso, poderán abrir as barras para persoas soas ou con outra convivinte e a ocupación sería de 75 % nos interiores e do 100 % no exterior. Fernández pensa que nestas circunstancias "moi poucos negocios optarán pola modalidade 2" que propón a Xunta. "Ademais do gasto económico que supón, é de difícil cumprimento para o noso sector", asevera o vicepresidente de Hosfega. Non entende que "cando se supón que toda a poboación diana galega está vacinada e o persoal traballador ten a pauta Covid completa se lles exixa unha PCR cada sete días". Criminalización, ocio nocturno e horarios Desde Hosfega lamentan que sexa un documento só para a hostalaría "cando noutros sectores cos mesmos condicionantes que o hostaleiro non se lles aplica igual ningún destes protocolos". Fernández pon como exemplo o transporte de persoas "ao que se lle retiraron pautas e non se lle implementaron as medidas que temos nós". Por este motivo pensa que se segue "criminalizando" e observa que "son máis restricións envoltas en salvación para o sector". En relación ao ocio nocturno, Fernández sinala que volven escoitar anuncios de como será "sen saber como se está negociando nin con quen". Neste sentido, desde Hosfega seguen pedindo diálogo ao Goberno galego e poder estar presentes nas reunións que periodicamente realiza o executivo cunha parte da hostalaría galega. "Hai temas importantes para nós que non se están a tratar, por exemplo os horarios, que seguen sen recuperarse desde o inicio da pandemia", explica o vicepresidente, "cando son medidas incomprensíbeis no nivel de casos que temos en comparación con outras comunidades". Discrepancias sobre o certificado Covid As diferenzas entre Hosfega e a Confederación Empresarial de Hostalaría e Turismo da Galiza seguen a ser considerábeis. Nunha recente entrevista, o seu presidente, Cheché Real, aseguraba que a denuncia que tumbou o certificado Covid fíxose "sen pensar no dano que se lle faría ao sector". Desde Hosfega, pola contra, aseguran que a decisión foi "sensata, lóxica e coherente" e apuntan que "do que nos queixamos é en como se fixo, deixando toda a responsabilidade aos estabelecementos". Na tarde de onte, o Tribunal Supremo anunciaba que estimaba o recurso da Xunta á decisión do TSXG, avalando que se poida exixir o pasaporte Covid-19 para acceder ao lecer e á restauración na Galiza ao considerar que a medida é "idónea, necesaria e proporcionada para reducir os contaxios".
NOS_46328
Quen teña sachado algunha vez na horta ou levantado un anaco de terra no xardín sabe perfectamente de quen estamos a falar. Desde unha póla afastada alguén estará observando as nosas tarefas para, pouco a pouco, irse achegando até practicamente meterse no medio dos pés. O paporrubio dará boa conta daqueles invertebrados que quedaron expostos, motivo polo que presta tanta atención ao noso labor igual que faría con calquera porco bravo fozando nun lameiro. Paxaro cantareiro e inconfundíbel, o familiar paporrubio recibe multitude de nomes ao longo de toda a xeografía galega como pisco, paporroxo, paifoco, paporroibo ou peizoque.
Tanto o nome científico como unha meirande parte dos vernáculos fan alusión á cor rubia do peito, cara e gorxa. Erithacus vén de erythos que significa roxo, ao igual que rubecula, diminutivo de ruber que fai referencia á mesma cor. En boa parte das linguas europeas, o seu nome común fai mención tamén á distintiva cor do papo, ademais dos apuntados arriba, noutros tantos idiomas o significado é o mesmo, caso do neerlandes roodborstje ou do italiano pettirosso. Distribución Vive en toda Europa, o seu límite ao norte cadra co Círculo Polar Ártico e atopámolo tamén nas illas británicas e no norte de África. En Asia chegan até os Urais e o Caspio. Na península Ibérica é máis abundante na zona norte, e no sur están máis asociados ás zonas de montaña. Na Galiza é moi común e sedentario con exemplares que veñen pasar o inverno do norte de Europa. Contamos tamén cun bo número durante os pasos de primavera e de outono. Segundo os investigadores Tellería e Santos, a súa distribución na península Ibérica está relacionada coa temperatura e especialmente coas precipitacións, respondendo negativamente ás temperaturas altas e positivamente ás precipitacións, sendo polo tanto máis abundante naqueles territorios máis chuviosos. Como recoñecelo Paxaro duns catorce cms de longo cunha envergadura (das ás) de vinte a vinte e dous cms e sen dimorfismo sexual. Partes superiores e ás de cor castaño verdoso, inconfundíbeis pola faciana e peito de cor rubio que rodea unha banda cincenta que resalta sobre a barriga branca. O peteiro e os ollos son negros. Os exemplares xuvenís son de cor castaña, pardos por enriba con manchas brancas e partes inferiores tamén pardas claras con pintas escuras e sen o característico peito vermello dos adultos. Ten unha silueta moi recoñecíbel, repoluda, nomeadamente en inverno cando converte as plumas nun edredón para xerar unha capa de aire quente. A diferencia de outras aves que habitualmente camiñan polo chan, os piscos marchan dando saltos. Voz Son aves cantareiras que nos deleitan coas súas melodías durante todo o ano, coa finalidade de manter os seus territorios. Algo que fan machos e femias. Apenas deixan de cantar nun curto espazo de tempo, cando están a mudar a plumaxe, cara a finais de verán. Emite constantemente un reclamo seco "tac", que repite irregularmente "tac-tac…, tac-tac-tac". O canto que moitas veces realiza desde o alto dunha árbore ou arbusto é moi elaborado e melodioso e cambia ao longo do ano. Comezan cos cantos en outono logo de mudar a plumaxe e teñen un ton suave e melancólico, namentres que os da primavera son fortes, seguros e semellan alegres. Desde decembro van ir aumentando en intensidade cunha dupla finalidade, a que xa comentamos de defender o territorio pero tamén a de atraer unha parella. O horario das súas cantarelas é amplo, poden facelo durante todo o día, habitualmente son das primeiras aves en comezar o coro matutino e moitas veces as últimas en deixar de facelo. Onde atopalo Presente nunha enorme variedade de hábitats, desde espazos cunha grande densidade arbórea a outros como hortas, cultivos, xardíns e parques de vilas e cidades. Que come? É insectívora pero aliméntase tamén de bagas e froitos. Como sucede con outros paxaros durante a época de cría, primavera e comezo do verán, come fundamentalmente invertebrados como formigas, escaravellos ou arañas e desde finais do verán en diante, outono e inverno, no seu menú entran bagas e froitos de bieiteiro, moras, amorillóns ou sementes das hedras. Cría O cortexo iníciase xa en xaneiro e comezan a reprodución a partir do mes de marzo, prolongándose esta até mediados de xullo. A femia do paporrubio constrúe un niño en cavidades pouco profundas de diferentes substratos como pode ser un valo, buracos de paredes, noiros ou estruturas artificiais que habitualmente están a pouca altura, desde o nivel do chan aos catro ou cinco metros. Soen situalos en lugares afastados e ben escondidos entre as hedras ou nunha sebe, pero sempre adoitan ser zonas tranquilas. Aínda así, os paporrubios son desas especies, como a carriza, que viven preto dos humanos que poden facer o niño en lugares insólitos como o motor dun tractor, unha peza de roupa colgada, un cesto ou unhas botas arrombadas nun estante da palleira. O niño ten forma de cunca, unha base de follas secas, herbas e brións e co interior tapizado de pequenas raíces moi finas sobre as que fan unha cama de pelo e plumas. Nel pon a femia de catro a seis ovos de cor branca azulada con pencas rubias de diferentes tamaños que poden estar situadas no extremo máis ancho ou espalladas por toda a superficie. Logo da eclosión, a femia levará as cascas dos ovos lonxe e mesmo poderá comer unha parte delas para asegurarse unha ración de calcio. Chocará durante trece días e nese período será o macho o encargado de alimentala, para, aos poucos días, pasar os dous proxenitores a cebar os polos que abrirán os ollos aos oito días e terán a plumaxe completa aproximadamente aos dezaseis, listos xa para voar. Poden sacar adiante unha segunda rolada, de ser así será o macho quen se ocupe dos pitos mentres a femia comeza a seguinte posta. A pesar da súa habitual presenza en lugares habitados, son aves moi sensíbeis ás molestias durante a época de cría, e se se lles incomoda, ben na construción do niño ou cando están a chocar os ovos, poden abandonalo. Vixiando os marcos Os paporroibos son dos poucos paxaros que manteñen o territorio durante todo o ano, tendo boa conta dos seus límites que vixían constantemente. Na época de reprodución será a parella quen garde o lugar, pero coa disolución da mesma, só se xuntan para a crianza, macho e femia pasarán a defender cadanseu territorio. Para reclamar os dominios empregan sobre todo a súa presenza, mostrando a mancha vermella do seu peito como indicador de "territorio ocupado". O celo por resgardar os marcos intensifícase durante a cría que non só defenderán fronte aos seus conxéneres senón tamén ante outras especies de paxaros. A competición é tan seria, neste período, que as leas poden chegar á morte do intruso, de feito os ataques pola defensa do territorio son unha das principais causas de mortalidade da especie que un estudo estima en unha de cada dez. Tal é así, que ante a presenza dun pequeno feixe de plumas vermellas, o paporrubio responderá atacándoas. Depredadores do paporroibo? Ao criar preto do chan, en lugares moi humanizados e ser aves relativamente confiadas, os gatos dan boa conta deles, motivo polo que en países nos que hai unha gran paixón polas aves, realízanse campañas para poñer axóuxeres ou colares de cores aos gatos, accións que poden reducir en máis de 50% as mortes dos paporroibos. Entre a fauna salvaxe os córvidos son uns dos depredadores naturais dos piscos, as pegas poden observar, seguir e coller os ovos ou polos do niño e outro tanto poden facer os gaios no medios máis forestais. A serpe riscada pode tamén depredar sobre os seus niños. Como lle vai? Atendendo aos datos das poboacións de aves comúns estudadas durante os 25 anos do programa de seguimento de SEO/Birdlife, de 1998 a 2020, a tendencia é de incremento moderado. Estatísticas que medran paseniñamente, de ano en ano, parellas ao aumento da superficie forestal, da que tanto gustan, que acompaña ao abandono do medio rural.
NOS_39986
A conselleira de Sanidade confirmou nunha xuntanza coa plataforma que aplicará o decreto español. O BNG reclama no Parlamento dados sobre as receitas prescritas pol@s médic@s que despois non se recollen nas farmacias.
A teima da consellaría de Sanidade en aplicar o repagamento dos fármacos hospitalarios carrexará "medidas de presión até que recúe". Anuncióuno esta terza feira día 19 a Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade Pública após unha xuntanza mantida con Rocío Mosquera, titular do departamento, para exixir que asuma a Xunta ese repagamento e que se derrogue o decreto do transporte urxente. En nome da plataforma falou Federico Gutiérrez Estoa, alcalde de Riotorto (BNG) e o primeiro cargo público en se declarar insubmiso perante o repagamento. Dixo Estoa que a conselleira Mosquera se escudou "na escusa de homoxeneizar a xestión do sistema" de saúde para aplicar a medida aprobada polo Goberno español "e impoñer un modelo sanitario de pago". Mobilizacións contra "un modelo de luxo" Perante a pregunta concreta de se o Executivo galego asumirá o pagamento dos fármacos hospitalarios para doentes crónic@s, a resposta da conselleira foi de todo menos concreta. "Interpretámola como negativa", explicou Estoa, para valorar de seguido como "negativo" o encontro con Mosquera. Ao longo desta semana a Iniciativa manterá unha reunión para decidir a respeito das medidas concretas de presión que se van executar, convencida, subliñou o rexedor riotortense, de que "podemos facelos recuar" e evitar que se impoña "un modelo de luxo para os máis pudentes". Que a Xunta informe das receitas prescritas que non son recollidas nas farmacias A problemática polo repagamento dos fármacos chegou tamén ao Parlamento galego. A través dunha proposición non de lei presentada pola deputada do BNG Montse Prado na comisión de Sanidade, a formación frontista insta a lle reclamar á Xunta a elaboración dun estudo: que se complilen dados das receitas prescritas pol@s médic@s e que non foron recollidas nas farmacias, tamén no caso de doentes crónic@s.
NOS_22763
As e os facultativos consideran que esta decisión é "nefasta" e pensan que a estratexia o único que busca é "reducir o número de PCR a realizar".
Un grupo de doutoras e doutores da Atención Primaria veñen de comunicar a súa "insubmisión" á orde da Consellaría de Sanidade pola que lles pediu que "non soliciten PCR aos contactos estreitos". A Xunta pediu ás facultativas que remitan estas persoas á Central de Seguimento de Contactos, mais sosteñen que dese xeito "ninguén as fai". Esa situación foi confirmada a Nós Diario tamén por algúns particulares que chamaron para advertir da súa situación ao CSC e atopáronse con nulo interese. O voceiro da Asociación Galega de Medicamento Familiar e Comunitario (Agamfec), Jesús Sueiro, que traballa nun ambulatorio compostelán recoñeceu que "sorprende" esta directriz "cando non se están facendo as cousas ben" por parte do CSC. "Se non se fai, non vou deixar de pedir a PCR", argumentou o doutor. "Se non hai constancia de que se fai (a PCR) non o imos a deixar así", incidiu lembrando que hai que "facer o traballo ben feito". O argumento do departamento que dirixe Julio García Comesaña é que, se as facultativas de familia deixan de solicitar as probas, vanse "evitar duplicidades". No entanto, Sueiro afirma saber de casos de contactos estreitos de positivos que non recibiron ningunha chamada. Desde o punto de vista do vicepresidente do Colexio de Médicos de Pontevedra e persoal da Primaria na área sanitaria de Vigo, Manuel Rodríguez Piñeiro, hai a sospeita de que esta decisión busca "reducir o número de PCR a realizar". Atrasar a estratexia de control Aliás criticar que a Central de Seguimento opera "sen controlar a xente", incidiu en que se "van facer menos PCR". Para o colectivo, a opción que elixiu Sanidade é "nefasta" "Se tes un sistema que mal que ben vai funcionando, se agora o inutilizas e o pór a funcionar con sistemas de moi dubidosa calidade, vai a enlentecer toda a actividade", resume Rodríguez Piñeiro. "No caso de que o paciente xa estea en seguimento pola CSC, e se atope en 10 día tras a exposición cun caso positivo, e detectedes que non ten solicitada PCR do 10 día, remitiredes mail desde o buzón de correos do centro de saúde", recolle a orde recollida na carta que se enviou á Atención Primaria. Desde a Consellaría de Sanidade aclararon a Europa Press que co fin de "aumentar a capacidade de detección dos casos Covid en Atención Primaria como primeira liña de vixilancia e control da pandemia" en Galicia e "evitar duplicidades e interferencias entre os diferentes actores que xogan un papel primordial nesta fase da epidemia.
PRAZA_2670
Amigos da Terra lanza Alargascencia, un directorio web de establecementos de reparación, aluguer, intercambio e compra venda de artigos de segunda man, co obxectivo de alongar a vida útil de todo tipo de produtos, dende roupa a electrodomésticos, pasando por mobles
A sociedade moderna defínese pola súa voraz velocidade de consumo e polo carácter efémero dos produtos. Roupa de usar e tirar, mobles de montaxe rápida, rapidamente desbotados e electrodomésticos e todo tipo de aparellos electrónicos con dada de caducidade e obsolescencia programada. Reutilizamos e reparamos pouco, por preguiza, por costume, por comodidade e, ás veces, porque non sabemos onde facelo. Tamén tiramos ao lixo cousas que a outras persoas si lles poderían servir; e esas outras persoas seguro que fan o mesmo con cousas que nós si utilizaríamos. Para concienciar e, ademais, ofrecer unha axuda práctica para alongar a vida útil dos produtos que usamos, Amigos da Terra vén de lanzar Alargaciencia, un directorio web de establecementos de reparación, aluguer, intercambio e compra venda de artigos de segunda man, dende roupa a electrodomésticos, pasando por mobles. "O patrón de consumo actual vén marcado por produtos pouco duradeiros, difíciles de reparar e reutilizar. Neste contexto, tanto o medio ambiente como a cidadanía convértense nos actores máis prexudicados" Do 21 ao 29 de novembro celébrase a Semana Europea de Prevención de Residuos. Amigos da Terra fai un chamamento á poboación sobre "a importancia e necesidade de acabar co despilfarro de recursos naturais, denunciando a obsolescencia programada e percibida, e esixindo o incremento das porcentaxes de redución e reutilización de residuos por parte das administracións". A entidade sinala que "o patrón de consumo actual vén marcado por produtos pouco duradeiros, difíciles de reparar e reutilizar" e que "neste contexto, tanto o medio ambiente como a cidadanía convértense nos actores máis prexudicados". Engade que "a reciclaxe é unha excelente opción cando un produto perdeu a súa utilidade e non se pode aplicar ningunha das opcións previas: a redución ou a preparación para a reutilización". Porén, a reciclaxe "non é suficiente para reducir o uso de recursos naturais, debido ao incremento incesante do consumo", polo que chama a un "cambio de hábitos cara a un modelo máis responsable". "Propoñemos empezar polo principio, a redución. Apostamos polo uso de bens duradeiros, reparables, compartidos e comunais", di. "Propoñemos empezar polo principio, a redución. Apostamos polo uso de bens duradeiros, reparables, compartidos e comunais" Alargaciencia quere ofrecer "alternativas sinxelas" a aquelas persoas que non queren "considerar os seus obxectos residuos demasiado pronto", á vez que se torna como ferramenta de educación ambiental, con información sobre as vantaxes ambientais e sociais destes modelos de consumo. Trátase dun proxecto colaborativo, polo que o número de iniciativas que contén aumentará grazas á colaboración de persoas usuarias, ás que a asociación invita a participar suxerindo novos establecementos. No directorio de Alargaciencia, en crecemento, hai máis de douscentos establecementos de todo tipo, 75 deles en Galicia: de alugueiro, de compra e venda de segunda man, de troco, de recollida, de reparación... De roupa e téxtil, de mobles, de aparellos electrónicos, de xoguetes, de deportes, de ferramentas... Web de Alargasciencia
PRAZA_29
A Esmorga, finalista na categoría de mellor guión adaptado, e A Tropa de Trapo na de mellor filme de animación. Javier Gutiérrez e Nerea Barros, nomeados pola súa actuación en La Isla Mínima. E Raquel Fidalgo e Noé Montes pola maquillaxe e perruquería en El Niño
A edición 2015 dos Premios Goya xa ten finalistas. Desta volta a representación do cinema e dos e das profesionais galegas será máis importante que en anos anteriores, optando aos galardóns en cinco categorías. Os premios entregaranse o vindeiro 7 de febreiro, nunha gala que contará con dúas grandes favoritas: La Isla Mínima (17 nominacións) e El Niño (16 nominacións), que superan a marca fixada hai anos por Mar Adentro, que fora finalista en 14 categorías. No apartado de mellor guión adaptado, está nomeada A Esmorga. O traballo de Carlos Asorey e Ignacio Vilar sobre a novela de Eduardo Blanco Amor competirá polo premio con Anochece en la India, Mortadelo y Filemón contra Jimmy el Cachondo e Rastros de sándalo. O filme dirixido por Ignacio Vilar estrearase nas vindeiras semanas en todo o Estado, despois de ter sumado ao redor de 40 mil espectadores e espectadoras só en Galicia entre novembro e decembro. As interpretacións tamén poden traer un premio para Galicia. O ferrolán Javier Gutiérrez é candidato na categoría de mellor actor protagonista por La Isla Mínima, xunto con Raúl Arévalo (La isla mínima), Ricardo Darín (Relatos salvajes) e Luis Bermejo (Magical Girl), e preséntase como favorito para facerse do galardón, en dura competencia co seu compañeiro de reparto no filme de Alberto Rodriguez. O traballo de Nerea Barros en La Isla Mínima tamén pode valerlle un Goya, neste caso no apartado de mellor actriz revelación, categoría na que tamén son finalistas Natalia Tena (10.000 km), Yolanda Ramos (Carmina y amén) e Ingrid García Jonsson (Hermosa juventud). O audiovisual galego adoita recibir alegrías nos apartados de animación, nos que é raro o ano no que non acada algunha candidatura. Desta volta o filme La tropa de trapo en la selva del arcoiris (producida por Abano Produccións, AneraFilms, La Tropa de Trapo e Continental) está nomeada na categoría de mellor filme de animación, competindo con Mortadelo y Filemón contra Jimmy el Cachondo e Dixie y la rebelión zombi. Finalmente, Raquel Fidalgo e Noé Montes son finalistas na categoría de mellor maquillaxe e perruquería por El Niño; neste apartado tamén están nomeadas La isla mínima, Musarañas e Relatos salvajes. Raquel Fidalgo leva anos sendo unha habitual nas candidaturas dos Goya e é unha das profesionais máis demandadas no cinema español; en 2010 foi finalista por Celda 211. O mesmo que Noé Montes, nomeado o pasado ano por El artista y la modelo.
NOS_55319
A Consellaría de Educación afirma que cumpre co Plan de Normalización Lingüística malia as evidencias en contra e mesmo interpreta en clave positiva os malos datos das enquisas sobre uso do galego.
Con apoio formal pero con cargas de profundidade críticas e clara intención de non moverse da súa discutida política lingüística. Así respondeu a Consellaría de Cultura e Educación á declaración da Real Academia Galega (RAG): "O galego dá vida, pola vida do Galego". "A Xunta de Galicia comparte a vontade expresada pola Academia e aposta por manter o seu compromiso para crear actitudes positivas cara ao galego", afirmou nunha nota pública. O goberno autonómico defende as súas apostas e mesmo nega os datos que apuntan a un enorme pérdida de galegofalantes. Deste xeito, desde San Caetano afirman que "están a desenvolver unha política lingüística baseada no deseño de medidas eficaces que induzan cambios lingüísticos no uso e na percepción do idioma propio, que contempla os cambios culturais, poboacionais e demográficos que tamén están na base dos resultados da enquisa do IGE, na que a cidadanía constata melloras no coñecemento, na actitude e na percepción do uso do galego na sociedade. Tal e así que, algúns dos datos que se poden tirar da enquisa son positivos. Destaca o feito de que se constata un cambio de tendencia en favor do galego nos índices de coñecemento oral e escrito". O goberno galego asegura que "está a aplicar medidas eficaces" a pesar da caída de galegofalantes Así mesmo, a Xunta comunica a súa decisión de manter o decreto que rebaixou a presenza do galego no ensino e tamén asegura cumprir co Plan Xeral de NormaLización Lingüística, malia as evidencias en contra. "Cómpre sinalar en relación a determinados aspectos da devandita declaración institucional que, no tocante á aplicación do Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNLG), aprobado pola Cámara galega no 2004, o Executivo galego está a aplicar unha política lingüística destinada a darlle debido cumprimento e que o ten sempre como referencia. Noutra orde de cousas, respecto do Decreto 79/2010 do Plurilingüismo, a Xunta de Galicia recorda que a propia enquisa do IGE rexistra un uso equilibrado do galego no ensino non universitario", afirma a Consellaría de Cultura e Educación, cuxo titular, Jesús Vázquez, deixará o cargo para presentarse como candidato do PP en Ourense.
PRAZA_20713
ENTREVISTA | Terbutalina teñen novo disco. Chámase Sonido Esteiro, e nin eles saben por que. Pero si saben que lles prestaba ter algo máis bailable para os directos, así que alá foi. Actúan este venres no Revenidas e o sábado en V de Valarés
Terbutalina veñen de sacar novo disco, Sonido Esteiro. E quen asina esta entrevista non sabe de que vai, nin falta que fai. Mais si sabe -para quen non o escoitou aínda-, algunhas cousas -poucas-. Que son só catro cancións. Que as letras son, se cadra, máis curtas ca nunca na historia da banda. Que son divertidas e ata bailables. E que, como a frescura pode ser, na cultura, un ben escaso, cando vén hai que celebrala. E de celebrar, precisamente, vai o proxecto de Terbutalina. Festa e esgalla. Na riqueza e na pobreza. No amor e no desamor. Na lucidez e no papanatismo. Actúan este venres no Revenidas e o sábado en V de Valarés. Falamos con Samuel. Ides tocar na Cidade da Cultura, no Revenidas, no Morrasound… E, por certo, fuxistes unha redacción. Si, imos ao Gaiás… O da redacción foi porque como nos festivais che piden ás veces que mandes un saúdo, pois fixemos unha redacción e así xa queda para todos. E así quedou, coas nosas carencias e o noso cariño… E bilingüe. Para todos os públicos, claro. Tes idea de por que o disco se chama Sonido Esteiro? Como nos títulos de todos os nosos discos, non hai ningún tipo de razón. Gustábanos como soaba. É que poñer nomes aos discos é moi fodido, todos che soan cutres e, ao final, escollas o que escollas, vaiche seguir parecendo cutre. Pero este quedou chulo… Ademais, somos de por alí, da costa… Por iso che preguntaba se tiñas idea. Porque normalmente non sabedes… E porque como os grupos adoitan dicir que están a buscar o seu son, a ver se o voso era o son Esteiro. Pois iso, nin idea… E, non, non é porque sexa o son de Esteiro, que somos da zona de Muros, e sería moi confuso. Ben: de Muros, de Esteiro…, menos o batería, que é o extracomunitario, -veu de Pontevedra, e tivo que arranxar os papeis de inmigración-. Cando falamos do anterior disco, Al Otomano se le va la mano, xa comentamos que tiñades como unha tendencia a ir cara a unha maior brevidade. Este disco son catro cancións, con letras brevísimas. Por que? Pode que sexa así, non sei… O que pasa é que non temos discurso e, claro, de onde non hai non se pode sacar. Ou será que xa nos discos anteriores deixamos todo xa tan ben dito… Penso que poderemos acabar tendo un disco de unha soa canción, de tres segundos, que nunha soa palabra diga todo o que lle tiñamos que dicir ao mundo. Será coma unha serie, que só ao final terás a chave para que todo o que antes che parecía absurdo cobre sentido. "O que pasa é que non temos discurso e, claro, de onde non hai non se pode sacar" Falaba hai pouco con outra banda, Atrás Tigre, e dicíanme que era moi aburrido ter a obriga de ter un discurso. Pensei en vós. Penso que non vos gusta que vos fagan comentarios de texto. Non. Moléstanos. A ver, o que pasa é que tratamos a xente como adultos. Nós non somos quen para dicirlle nada a ninguén. Facemos música para pasalo ben, e pasalo ben hoxe xa é bastante revolucionario… Pero non, non queremos dar discurso ningún. Ir a un concerto e que che dean un discurso sería como ir a un mitin para pasalo ben. Ou... si, hai xente que o pasa ben nos mitins, non sei por que o dubido…. Hai xente, si, pero son uns monas. E pon monas así, con negriña. "O que pasa é que tratamos a xente como adultos" O disco anterior era o primeiro que saía en formato físico, ademais de en internet. Xa vos fixestes ricos coas ventas? Fixémonos ricos, pero fóisenos todo en multas de radares. Porque, xa sabes: vas tocar a un concerto, quieres volver a casa con los tuyos, e ao final gastas todo en multas. A ver se nos rescatan, que nós tamén creamos riqueza. A ver, non somos Bankia, pero a riqueza do espírito tamén é riqueza, así que se quedamos sen cartos o Estado, ou a Deputación, ou quen sexa, debería tomar medidas. "Fixémonos ricos, pero fóisenos todo en multas de radares" Claro. Prometestes amor para o concerto do Gaiás. Cada vez estades máis amorosos. Dixestes noutra entrevista que fodiades todos contra todos -os da vosa xeración-. Non todos con todos. É que facemos o amor con violencia e a violencia con amor. É o que ten. Pero si, somos cada vez máis amorosos, sobre todo entre nós. Cando vamos aos hoteis xa pedimos unha mesma habitación para todos, e somos cinco. Iso si, sen espellos no teito. "Somos cada vez máis amorosos, sobre todo entre nós" Importante. E iredes a hoteis de luxo, non si? Pois unha vez en Zaragoza fomos a un moi curioso. Nos hoteis moitas veces recíbente cun bombón na almofada. Ben, non sei se iso segue a levarse… Pois neste hotel recibíante cun pelo de pirola. En toda a noite non pararon de abrir e pechar as portas. Era todo moi raro… O prezo eran 15 euros a noite por habitación dobre. Goodbye neuronas, chámase a primeira canción. Veu dalgún momento concreto de inspiración, dalgún tipo de observación sociolóxica? Veu da observación dos Monas que hai polo mundo adiante, aos que lles escapan as neuronas. Aínda que agora que o penso, o de monas pode soar afectivo. Vai sobre papahostias. Pero que cada un faga a lectura que queira. Que non está ben que os músicos anden dicindo por aí que as súas letras van de tal cousa ou da outra… pero vai de papahostias. "Goodbye neuronas veu da observación dos Monas que hai polo mundo adiante, aos que lles escapan as neuronas" E vós andades ou andastes de xaneira, como di a segunda canción? Tivemos épocas de andar á xaneira. Ben: a todas as persoas que teñen unha debilidade gústalles dicir que os demais tamén a teñen, pero si, algunha vez andamos á xaneira. Igual aínda algún membro de Terbutalina anda á xaneira. "Igual aínda algún membro de Terbutalina anda á xaneira" A terceira canción fala de que ninguén te quere… Pero a vós quérevos moita xente. Moita dela, moi nova. Vese ben nos concertos. Din por aí que, ademais de porque sodes xente simpática, porque tocastes en todo canto local e parroquia había. Canto ten de mito e canto de verdade? O de que tocamos de parroquia en parroquia é verdade. Cando empezamos, dicíamos que o noso lema era… sachar. Sachar e a ver que pasa. Se a cousa non funcionaba, habería que volver para a casa, que non se trata de molestar a ninguén. Pero a xente ía reaccionando ben, así que aquí estamos. Pero é que tampouco tiñamos outra opción. Non hai radios que poñan música. Poden pincharte algo en Radio Galega Música, ou en Radio3 se o que fas é do seu pao… Pero non tes case nada. E o da Radio Galego Música… Temos un país no que hai a hostia de bandas, de todos os estilos. Non lles dará para facer un programa de bandas en galego? Que a música tamén é parte dunha industria que crea riqueza, e podería crear máis. Que deixen que a xente decida que música quere escoitar. Pero se non lle dan opcións, non van escoller o que non coñecen. E vaia chapa acabo de darche. "Temos un país no que hai a hostia de bandas, de todos os estilos. Non lles dará para facer un programa de bandas en galego?" Estabas a poñerte serio. Fixestes algunha vez unha entrevista en serio? Pois algunha vez si, pero imaxina como podía ser se fose toda como a resposta anterior… A xente xa sabe que estamos sempre de coña. E se un día te pos serio pensan que hai algo oculto, que vas con segundas. Pero si, se es gilipollas podes dicir cousas moi serias. A cuarta canción celebra un amor que se acaba. Penso que podería se un bo resumo do que é Terbutalina: hai que celebralo todo, e ao carallo. Pois si, acabas de explicalo moi ben. Non vou engadir nada. Me planto. "Este disco novo é máis de señor, máis acomodado" Cales son as sete diferenzas entre este novo disco e os dous anteriores? Iso é fácil. A muerte era moito máis punk, máis acelerado. Otomano era máis de… tomar un licor café nun vaso de tubo e saber que vai ir todo mal. Este disco novo é máis de señor, máis acomodado. "Agora hai máis clase. Ata empezamos e acabamos á mesma velocidade" Como? Dis que vos acomodastes? Non o creo. Digo pola música. Hai máis clase. Ata empezamos e acabamos á mesma velocidade. É que tampouco facemos os discos con ningún obxectivo, porque no que pensamos é no directo. E botabamos de menos no noso directo algo máis de baile. Algo máis de mover a cadeira en vez de darse cos cóbados co de ao lado. Antes era máis runing e spring, agora é runing e bailes de salón. E loita libre, desa na que se pegan de verdade. Queriamos que nos concertos houbese máis baile, para que haxa máis… algo de todo.
NOS_27331
Punta Herminia, na Coruña, foi o escenario en que o 9 de decembro de 1936, ás 7h, se producían os fusilamentos que acababan coa vida de oito sindicalistas da Fábrica de Brens e veciños de Cee ou da comarca. A CIG apela a "resarcir a memoria dos que deron a vida polo pobo, pois son os verdadeiros mártires da liberdade".
Fixéronse 80 anos do asasinato de oito sindicalistas da fábrica de hidrocarburos de Brens aliñados contra o golpe militar. Eran Florentino Canosa Barreiro, Norberto Recamán, José Lago Fernández, Teófilo Mejuto Leis, Perfecto Transmonte Costa, Jesús Chouza Figueiras, Manuel García Castiñeira e Domingo López Domínguez. Segundo lembra a CIG, estes operarios, así como outros traballadores e veciños da bisbarra, foron delatados polo entón xefe da Fábrica de Brens, Eduardo Garrone de Cristóforis, quen os presentou perante os golpistas como "indesexábeis" e "perigosos" polo seu compromiso político e sindical. As declaracións do xefe da fábrica provocaron a detención e a apertura de instrución de causa militar contra oito traballadores Eduardo Garrone de Cristóforis acusou os asasinados de liderar a folga sindical do 21 de xullo de 1936 en contra do golpe militar e en defensa da propia factoría e da liberdade do pobo. As declaracións do xefe da fábrica provocaron a detención e a apertura de instrución de causa militar contra oito traballadores, que foron condenados a morte o 8 de decembro de 1936 por teren liderado a folga. Un día após eran fusilados. Distincións O delator foi recoñecido mesmo co título de fillo adoptivo de Cee, vila da que tamén fora alcalde honorario Francisco Franco. Os dous seguen a ostentar as distincións e, aliás, un monólito falanxista permanece erguido nas proximidades da factoría. A CIG apela a resarcir a memoria daqueles que deron a vida polo seu pobo, pois son verdadeiros mártires da liberdade Neste contexto, a CIG chama a tomar conciencia da "barbarie vivida polo noso pobo durante o alzamento militar asasino e antidemocrático de 1936, que lonxe do que se ten contado para nada foi tranquilo nin pacífico nesta bisbarra, senón que supuxo o exterminio dos referentes políticos, sociais e sindicais da época". De aí que apele a "resarcir a memoria daqueles que deron a vida polo seu pobo, pois son verdadeiros mártires da liberdade".
NOS_54618
O deputado do PP, Agustín Baamonde Díaz, respostou así á proposición non de lei presentada polo BNG e coa que a organización frontista demandaba medidas compensatorias para paliar os efectos do incremento impositivo na cultura. O IVE do 21% que grava os produtos culturais está a pór en xaque un sector xa tocado pola crise.
"Cúmprense os peores vaticinios", afirmou a deputada do BNG, Ana Pontón, na Comisión 4ª. A parlamentar nacionalista defendeu unha proposición non de lei encamiñada a instar a Xunta a adoptar medidas compensatorias que palíen o efecto que está a ter a suba do IVE (do 8% ao 21%) cultural, decretada polo Goberno español en xullo de 2012. Unha medida, sinalou Pontón, "represiva" e "inxusta" que "terá consecuencias negativas en todos os ámbitos da actividade económica" e do punto de vista social. Neste senso, a organización frontista demandou ao Parlamento unha posición contraria á medida impulsada desde Madrid a través dunha proposición non de lei que consideraron "de mínimos". A iniciativa visaba instar a Xunta de Galiza a elaborar un "estudo serio e rigoroso sobre as consecuencias da suba do IVE" e a adopción de "medidas para paliar o efecto do mesmo", tales como o "bono-cultural" promovido polo Goberno basco, lembrou o portavoz do PSdeG-PSOE, Francisco Caamaño. O PP non apoia a proposta por "coherencia política" co goberno español Os grupos de AGE e PSdeG apoiaron a proposta do Bloque, que foi rexeitada polo Partido Popular. Segundo Agustín Baamonde Díaz, quen defendeu a postura d@s populares durante a comisión, o seu rexeitamento débese á "coherencia política" que o partido que dá suporte ao "goberno galego e de España" debe gardar en relación ás "medidas adoptadas para loitar contra a crise". A suba do IVE do 8% ao 21% supuxo un incremento do 200% no sector cultural Desta maneira, se ben asegurou "partillar o fondo que latexa" na proposición non de lei e recoñecer que o incremento en máis do 200% da presión fiscal sobre o sector supuña un problema engadido no acceso á produción cultural en Galiza, Baamonde declinou votar favorabelmente á PNL d@s nacionalistas. Aliás, acrecentou, "xa se están adoptando medidas" compensatorias desde o Estado dirixidas, indicou, a paliar os efectos da crise no sector cultural. Así, subliñou "o acordo co sector do cinema" --a través dunha desgravación aos investidores na produción cinematográfica-- ou o aumento da partida orzamentaria dirixida ao teatro. A deputada do BNG, Ana Pontón, que non se amosou sorprendida polo rexeitamento da proposta desde o Partido Popular, retrucou cun sucinto comentario á actitude do partido maioritario: "Que duro é formar parte do goberno dos cínicos, verdade, señor Baamonde?".
NOS_52242
O presidente da Xunta anuncia que todas as usuarias de residencias de maiores que den positivo nas probas da COVID-19 serán trasladadas a estes novos centros e que se "tutelarán" as residencias privadas.
O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, anunciou esta terza feira a posta en marcha de dúas "residencias integradas", un novo concepto para centros "medicalizados ao máximo" que atenderán a persoas maiores que den positivo en coronavirus estando nunha residencia de anciáns e a discapacitados na mesma situación que até o momento estivesen en centros de internamento específicos. Feixoo asegurou que se trata dunha medida para "tratar de forma máis medicalizada aos maiores que den positivo nos tests" e lograr que "teñan un coidado máis directo". Con todo, desde o Goberno galego matizaron que non todos os positivos se van trasladar a estes centros, se están ben tratados e poden ser illados correctamente poderán permanecer na súa residencia habitual. Así, estes centros estarán sometidos a un "control sanitario máis intenso". De momento haberá dous, un para Pontevedra e Ourense e outro para Lugo e A Coruña. Desta maneira, o presidente galego explicou que a Fundación San Rosendo cedeu as instalacións da súa residencia en Baños de Molgas, que estaba baleira, e que conta con 93 prazas. "En menos de 48 horas puxemos en funcionamento esta residencia integrada", manifestou Feixoo, que avanzou que as usuarias da residencia San Carlos de Celanova con COVID-19 xa están a ser trasladadas a este centro, que será o referente para os casos de Ourense e Pontevedra. Para os casos de maiores con coronavirus na Coruña e Lugo, a Xunta empregará a residencia de maiores Porta do Camiño, en Compostela, que conta con 84 prazas. "Se trasladará ás usuarias ao hotel Congreso, no concello de Teo, e se desinfectarán as instalacións para acoller a estas persoas", apuntou Feixoo. "Trasladaremos paulatinamente a persoas con patoloxías previas e positivos en coronavirus a estas dúas residencias integradas", detallou o presidente da Xunta, para aclara que "co agravamento das súas condicións serán trasladadas aos hospitais onde serán tratadas". Feixoo fixo un "chamamento á tranqulidade" ás familias dos residentes e ás propias usuarias e asegurou que "A Xunta seguirá vixilante" e "denunciará situacións anómalas" que detecte nestes centros onde se atopan persoas de "máxima vulnerabilidade". Neste sentido, recalcou que o Goberno galego informa á Fiscalía "cada vez que se nos require" e confirmou que están a recibir peticións de información por parte de este órgano sobre se as residencias contan co material de protección necesario para evitar os contaxios. "As profesionais das residencias están facendo un bo traballo tratando un virus descoñecido", defendeu Feixoo, quen lamentou que "as cifras de contaxiados crecerán" porque se trata de persoas moi vulnerábeis. "Pedimos rigor para xestionar as dificultades engadias e tamén confianza nas profesionais que seguen coidando a todas estas usuarias", engadiu. Das 22.400 usuarias de residencias na Galiza, a Xunta confirma que hai 57 positivos e outras persoas agardando os resultados das probas de coronavirus. Isto tradúcese en que das 291 residencias do país (223 de maiores e 68 de discapacidade) hai casos en oito delas. O Goberno galego "tutelará" as residencia privadas Ademais, o presidente da Xunta avanzou que "todas as residencias de maiores ou de internamento de discapacitados privadas pasan a ser tuteladas" desde esta terza feira e quedan "baixo o seguemento das autoridades sanitarias". "Os xestores privados son responsábeis do mantemento, organización e de seguir o protocolo que se exixe nestes momentos", matizou Feixoo. Mais estes centros privados "teñen a obriga de comunicar dúas veces ao día a súa situación" ao Goberno galego para que faga un seguimento axeitado. Todas estas medidas forman parte do novo protocolo pactado o domingo na videoconferencia de presidentes dos diferentes territorios do Estado co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e inclúe as medidas publicadas no Boletín Oficial do Estado. Feixoo recoñeceu que antes de manter esta xuntanza houbo "certa confusión" entre as competencias de cada Administración e quixo aclarar, a respecto da residencia de Celanova, que a Xunta reclamou a axuda do Exército, en concreto da UME, pensando que podería atender ás usuarias; pois non estaba claro, como o está agora, que as funcións da UME só afectan á desinfección exterior nestes centros. Urxen máis tests e respiradores Por outra banda, Alberto Núñez Feixoo incidiu en que a falla de material é "o principal problema desde o inicio" da pandemia do coronavirus e pronosticou que o material "contratado" e "prepagado" pola Xunta "pode estar na Galiza o sábado". Mais aclarou que "hai tensións permanentes" no mercado. "A tensión de onte era o número de tests", recoñeceu, "podemos ter máscaras suficientes, creo que si, aínda hai dificultades coas batas… penso que podemos ter luvas, aínda que sempre vai haber tensións". O máis preciso neste momento, segundo trasladou Feixoo, son test para realización das probas da COVID-19 e respiradores mecánicos e volumétricos para poder ampliar as camas de UCI nos hospitais. Feixoo interpelou ao Goberno do Estado sobre en que semana se vai producir o pico do coronavirus na Galiza que se está a producir estes días en Madrid e sostivo que "de momento" non ten esa información. En caso de ocupación exponencial dos hospitais está previsto "empregar quirófanos como unidades de reanimación e de UCI", segundo explicou Feixoo, que tamén indicou que a previsión total de camas necesarias en hospitais na Galiza cando chegue o pico de contaxios é de "4000 camas durante varios días, máis dunha semana", que terán que ser destinadas exclusivamente a pacientes con coronavirus.
PRAZA_11216
Os grupos da oposición política reaccionaron de inmediato ao proxecto de orzamento presentado este sábado polo Goberno galego. E fixérono de xeito crítico, cualificando as contas como "continuístas", "inútiles" ou "da resignación". Moi diferente foi o posicionamento do Partido Popular, que a través de Pedro Puy salientou "a valentía" da Xunta aprobando os orzamentos para 2020 "pese á inestabilidade que se vive a nivel nacional".Xoaquín Fernández Leiceaga criticou os Orzamentos por "continuístas", afirmando que "debullan un goberno esgotado"Dende o Goberno galego e o PP fíxose fincapé nos últimos días no carácter "social" dos orzamentos, destacando que están "centrados nas persoas e na prestación de servizos públicos básicos de calidade" e subliñando o descenso da achega que as contas públicas realizan ao pagamento da débeda.Pola contra, o portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou os Orzamentos por "continuístas", afirmando que "debullan un goberno esgotado" que logo de 10 anos de axustes e recortes intenta "maquillar os efectos das súas políticas con elementos de claro tinte electoralista". O responsable socialista sinalou que as contas para o próximo ano "renuncian a apostar pola modernización económica e polo emprego industrial, nin reforzan as partidas dirixidas ao Estado do Benestar". Leiceaga conclúe que a Xunta decidiu "deixar o rigor orzamentario ao lado cando se acerca un ano electoral" e lamentou que as contas elevan o endebedamento."O gasto para 2020 está 2.000 millóns de euros por debaixo do que había antes da recesión", denunciou Manuel LagoMentres, Manuel Lago, voceiro do Grupo Común da Esquerda, afirmou que "estes son uns malos orzamentos: os orzamentos da resignación, da falta de ideas, da falta de iniciativas e da falta de propostas para enfrontarnos aos problemas que hoxe ten o noso país". Lago destacou que "non é certo que o gasto público en Galicia en 2020 recupere os niveis previos á crise, porque en economía para comparar variables hai que facelo en termos reais e valores comparables, e para iso hai que descontar a inflación". "Facendo este exercicio, vemos que o gasto para 2020 está 2.000 millóns de euros por debaixo do que había antes da recesión, dos cales o 80% corresponden a sanidade, educación e políticas de emprego", engadiu.Ana Pontón afirmou que o proxecto de orzamentos constata "a fin de ciclo do PP e de Feijóo á fronte da Xunta"Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que o proxecto de orzamentos constata "a fin de ciclo do PP e de Feijóo á fronte da Xunta", así como a súa incapacidade para poñer "solucións aos problemas estruturais de Galiza e ás dificultades que cada día ten que sortear a maioría dos galegos e galegas". Pontón criticou a "propaganda e autobombo" do Partido Popular cando "non existe unha estratexia para paliar a crise industrial e crear emprego de calidade", dixo.Luís Villares sinalou que os orzamentos "favorecen os ricos e desmantelan o estado do benestar"Finalmente, Luís Villares, voceiro de En Marea, cualificou o proxecto de orzamentos "como unha demostración máis de que actúa o PP de Feijóo: favorecendo aos ricos e desmantelando o estado do benestar, reducindo impostos a quen máis ten e reducindo os servizos imprescindibles para a cidadanía". "En 2009 o orzamento da Xunta sobre PIB significaba un 20%, pero con estes orzamentos de Feijóo o orzamento só representa un 15%", engadiu.
NOS_30941
Os casos de coronavirus rexistrados nas últimas 24 horas na Galiza ascenden a 267, detectándose 45 positivos máis que na xornada anterior (13 deles en residencias). Ademais, o número de mortes ascenden a 727, após rexistrarse na sexta feira o falecemento dun home de 65 anos no Hospital Lucus Augusti (HULA) de Lugo
Son 4.449 as persoas positivas na Covid-19 na Galiza, segundo o informe publicado polo Sergas este sábado, 26 de setembro. Nas últimas 24 horas notificáronse 267 novos contaxios e as altas chegaron ás 269 (18.071 desde o inicio da pandemia). As vítimas mortais ascenden xa a 727, após o falecemento dun home de 65 anos antonte no Hospital Lucus Augusti (HULA) de Lugo. Do total de pacientes positivos, 35 están en unidades UCI, 201 en unidades de hospitalización e 4.213 nos seus domicilios. Por áreas sanitarias, catro delas rexistran este sábado unha suba nos casos activos. A máis destacada é a de Pontevedra-O Salnés, que suma 26 novos contaxios, até o total de 810; e a de Ourense, que sobe en 21, até 689. Ademais, anotan unha suba nos casos activos a área de Lugo, que conta con 642 persoas con Covid-19 -son 12 máis que na xornada anterior-, e a área de Vigo, que rexistra 512 infectados. A área sanitaria da Coruña e Cee, a que máis casos activos acumula, rexistra 1.077 positivos, mentres que a de Santiago conta con 555 e a de Ferrol con 164. O número de probas PCR realizadas na Galiza é de 459.234, sendo 6.585 probas as que se levaron a cabo nas últimas 24 horas. Residencias A Consellaría de Política Social comunicou este sábado 13 novos contaxios nas residencias de maiores e de discapacidade (8 persoas usuarias e 5 membros do cadro de persoal). Catro maiores deron positivo na Covid-19 no centro xeriátrico de Santa Marta (Vigo), tres no de Ballesol (Oleiros) e un na residencia Torrrente Ballester (A Coruña); mentres que entre as traballadoras e traballadores computáronse dous novos casos no centro Moledo (Vigo) e un na vivenda comunitaria Fogar de Cereixal (Becerreá), así como no centro Fundación José Otero (Santiago) e na residencia de discapacidade Ricardo Baró (Oleiros). Desta maneira son 344 as usuarias de residencias afectadas polo virus na actualidade, 320 en centros de maiores e 24 en centros de dependencia. A máis golpeada é a da empresa DomusVi Lugo, en Outeriro de Rei, con 131 maiores afectados, e séguea a do Incio, con 57 anciáns positivos, e A Nosa Señora do Viso (Lobeira), con 46. 138 son as traballadoras e traballadores contaxiados, 118 en residencias de maiores e 20 de dependencia.
NOS_28840
O festival contará esta segunda edición con actuacións, obradoiros, palestras e un 'Paseo Sonoro' pola zona vella da cidade.
O festival 'O que non se escribe. Arquivos sonoros e creación contemporánea' repite experiencia en Compostela cunha segunda edición co obxectivo, segundo a organización, de "promover a aprendizaxe sobre o patrimonio sonoro tradicional antigo e contemporáneo". O evento, que se levará a cabo do 12 ao 14 de maio, presentouse onte na sala de prensa do Pazo de Raxoi coa intervención da concelleira de Cultura, Mercedes Rosón, o edil de Turismo, Sindo Guinarte, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora do festival, Aitana Cuétara. Paseo Sonoro, actuacións e actividades A primeira iniciativa anunciada foi o 'Paseo Sonoro', un percorrido interactivo por 22 localizacións da zona vella compostelá que consiste no escaneo dun código QR que posibilita a escoita de arquivos sonoros. Segundo precisou Aitana Cuétara, as gravacións oscilan entre o ano 1919 e o 2011, e descubren audios de música tradicional. Florencio - Caamaño&Ameixeiras Mais o prato forte son as actuacións en directo e algunhas actividades complementarias. O programa comezará o día 12 ás 16 horas na Sala Riquela cunha master class impartida polo zanfonista e graller catalán Adrià Grandia e seguirá, ás 18.30 horas, co xornalista Marcos Gendre que presentará a palestra Un novo mapa (música tradicional e creación), coa participación de catro proxectos innovadores, interesantes e diferentes: Caamaño & Ameixeiras, CRNDS, Andrés Rodrigues e Lilaina. A xornada rematará co espectáculo Paradís de Joana Gomila & Laia Vallès na Casa das Crechas ás 21 horas. Xa o día 13 haberá dous encontros na Facultade de Xeografía e Historia da USC. O primeiro comezará ás 16.30 horas e xirará arredor do tema Autoría, privacidade e protección de datos, e o outro, ás 18.30 horas, tratará sobre a posibilidade de xestionar un arquivo sonoro común. Fecharán a xornada na Sala Germán Coppini da Fundación SGAE os Sara Fontán & Amorante (20.30 horas). aCentral Folque medra cara a formación profesional O sábado, último día desta edición do festival, estará centrado na aprendizaxe arredor da zanfona, cun monográfico a cargo de aCentral Folque impartido por Adrià Grandia no centro sociocultural A Trisca. O feche musical será desta vez no Teatro Principal (20.30 horas) coa artista balear Anna Ferrer, que presentará o seu traballo discográfico Parenòstic, e o dúo occitano Cocanha, que traerá o seu novo disco, Puput, producido por Raül Refree.
NOS_49083
Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións, ofreceu a Unidas Podemos participar na "gobernabilidade" do Estado dirixindo institucións e organismos fóra do Consello de Ministros.
Nun acto en Madrid no que presentou as 370 medidas que se compromete a cumprir se logra ser investido presidente, Pedro Sánchez rexeitou de novo un goberno de coalición, tal como pide Pablo Iglesias. Mentres, o ministro de Fomento en funcións, José Luis Ábalos, exixía a Iglesias que deixara "a humillación fóra das negociacións". Nunha entrevista na televisión pública estatal, o líder de UP mostrábase disposto "a asumir unha humillación" antes de que se chegue a disolución das Cortes (a data límite é o 23 de setembro) que daría paso a novas eleccións. Na oferta do PSOE a UP inclúese un "non" expreso á celebración dun referendo de autodeterminación en Catalunya. Os socialistas dedican un único punto á cuestión catalá, no que apostan por un Estado das autonomías "forte" e por impulsar un diálogo coa Generalitat "sempre dentro da Constitución". Podemos xa limitara o mes pasado a súa proposta sobre Catalunya eludindo calquera mención a un eventual referendo de autodeterminación. Pero Sánchez insistiu nas distancias que separan ambas formacións e volveu rexeitar un Executivo "compartimentado e dividido nun momento crítico" para o Estado, sinalando que o único xeito posíbel de evitar novas eleccións en novembro e que UP lle proporcione o apoio parlamentario desde a oposición. En breve abrirase unha nova quenda de negociacións entre o PSOE e Unidas Podemos. O equipo negociador dos socialistas é o mesmo que en xullo: Carmen Calvo, María Jesús Montero, José Luis Ábalos e Adriana Lastra. No acto que se celebrou na Estación de Chamartín, Sánchez estivo apoiado por uns setecentos convidados, entre eles, o líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero.
NOS_41594
A Asemblea Republicana de Vigo, a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 e a Asociación Memoria da Mariña de Mondoñedo adheríronse a unha iniciativa impulsada por outras perto de corenta entidade do Estado.
Tres entidades galegas -Asemblea Republicana de Vigo, Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 e Asociación Memoria da Mariña, de Mondoñedo, veñen de se sumar á campaña estatal que pretende xulgar Rodolfo Martín Villa como responsábel político da represión que seguiu á morte do ditador Francisco Franco nos primeiros anos da Transición. Deste xeito queren contribuír a "rematar coa impunidade dos crimes do franquismo". Celso López, portavoz da Asemblea Republicana de Vigo, lembra que nos anos 60 e 70 existía no Estado un "movemento obreiro, veciñal, cultural, nacionalista, feminista e estudantil moi potente que reclamaba dereitos democráticos e liberdades" co que "no remate da ditadura e nos primeiros anos da Transición o aparello represivo do Estado tratou de eliminar". Ademais, sinala, "a Lei de Amnistía de 1977 garantiu a impunidade a todos os responsábeis da represión". Un dos principais artífices desa política represiva, indican as entidades, foi Rodolfo Martín Villa. "Cando el era ministro", subliñan, "cometéronse crimes como a masacre do 3 de marzo en Gasteiz ou o asasinato de Germán Rodríguez nos Sanfermíns de 1978, entre outros episodios". Entre eles, tamén Vigo. Alí, lembra a Asemblea Republicana de Vigo, faleceu Elvira Parcero Rodríguez, de 21 anos, como consecuencia das lesións ocasionadas no decurso dunha carga policial na rúa Urzaiz para disolver unha manifestación dos traballadores de Ascom. López apunta que a iniciativa "Xuízo a Martín Villa", que foi presentada en rolda de prensa o pasado xoves, quere denunciar estes acontecementos e demandar nos tribunais do Estado español as responsabilidades civís, políticas e penais "polo seu papel naqueles anos". "Cómpre lembrar", di o portavoz, "que Martín Villa xa se atopa imputado nos tribunais arxentinos por crimes contra a Humanidade, aínda que a Fiscalía Xeral do Estado ten emitido unha instrución aos demais fiscais para impedir o seu enxuizamento".
PRAZA_9459
A avogada de Forcadell anunciou o recurso ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos na xornada en que a ex-presidenta do Parlament catalán declara ante o Supremo
A ex-presidenta do Parlament catalán Carme Forcadell presentou este martes ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo (TEDH) unha demanda contra a prisión provisional na que permanece desde o pasado 23 de marzo. Forcadell convértese así na primeira dirixente do 'procés' soberanista acusada de rebelión que abre a vía de Estrasburgo, onde os soberanistas teñen postas esperanzas para reverter a súa situación en España.A avogada de Forcadell anunciou o recurso ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos na xornada en que a ex-presidenta do Parlament catalán declara ante o SupremoNa xornada en que Forcadell declara ante o Supremo, a súa avogada, Olga Arderiu, explicou que a demanda se presentou porque a xustiza española, ao seu xuízo, vulnerou a Convención Europea de Dereitos Humanos coa prisión preventiva, que cualificou de "arbitraria" e sen "base real". O resto de acusados non recorreron aínda a Estrasburgo, aínda que Junqueras e mais Jordi Sànchez e Jordi Cuixart levaron o seu encarceramento até a ONU.A defensa de Forcadell presentou a súa demanda ao TEDH aínda que o Tribunal Constitucional non resolveu aínda sobre o seu recurso de amparo contra a prisión preventiva. A lei esixe esgotar a vía xudicial interna para acudir á xustiza europea, aínda que a defensa da ex-presidenta do Parlament entende que a falta de resposta do Constitucional á súa petición de amparo equivale a unha negativa a excarcerala.Até agora as defensas dos dirixentes soberanistas procesados non puideron acudir a Estrasburgo porque o Constitucional aínda non resolveu sobre os seus recursosAté agora, as defensas dos procesados polo procés non puideron acudir ao Tribunal de Estrasburgo, dado que o Constitucional aínda non resolveu sobre os recursos que presentaron, principalmente sobre o seu ingreso en prisión provisional e a suspensión dos deputados procesados. O pasado mes de setembro, o Tribunal Constitucional resolveu denegar a suspensión cautelar da medida de prisión provisional de Forcadell, pero á espera de resolver en sentenza sobre o fondo da cuestión.A defensa de Forcadell, con todo, considera que ao pronunciarse preventivamente sobre a prisión da ex-presidenta do Parlament, o TC xa o fixo sobre o fondo do asunto, o que cre que abre a porta a poder presentar demanda a Estrasburgo sen esperar a que o alto tribunal dite sentenza.O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo debe decidir agora se admite a demanda presentada por Forcadell, de acordo co seu argumento de que a vía xudicial interna está esgotada no caso da súa prisión provisional.As sesións do xuízo, ao vivo
PRAZA_4925
Véndex traballou de balde no xardín do alcalde carballiñés, Argimiro Marnotes, para "gañar a súa vontade e optar con maiores garantías" a un concurso para o mantemento do parque municipal, segundo a investigación que dirixe Pilar de Lara
O pasado xaneiro o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, sorprendía o país cunha peculiar proposta: íase dirixir á Real Academia Galega para que aceptase como galega a palabra castelá "pulpo" e poder así utilizala como sinónimo do termo galego "polbo" na promoción da festa que a vila ourensá lle dedica a este cefalópodo. O escenario da Festa do Polbo que Marnotes quere que sexa do pulpo "porque aquí sempre foi pulpo" celébrase no parque da vila, un enorme espazo verde de máis de 30 hectáreas que é tamén protagonista da imputación de Marnotes no caso Pokémon. Segundo a xuíza Pilar de Lara o rexedor, fillo do ex alcalde carballiñés Argimiro Marnotes (Coalición Galega) e próximo a Baltar pero ben levado coa dirección galega do partido, puido incorrer en delitos de tráfico de influencias e suborno polos seus tratos cos supostos líderes da presunta trama corrupta, moi interesados no contrato de mantemento do devandito parque e que alcumaron a Marnotes, precisamente, como El Pulpo. Segundo consta na parte do sumario sobre a que xa non pesa o segredo "as relacións entre os responsables do Grupo Véndex" e o alcalde do Carballiño comezan en novembro de 2011, apenas cinco meses despois de que o PP lograra a alcaldía da vila. Nesa data os axentes de Vixilancia Aduaneira "detectan unha xuntanza" de Marnotes con Adrián Cordero, delegado de Véndex en Ourense e José María Tutor, responsable da empresa en toda Galicia. Dende esa data as escoitas telefónicas detectan contactos frecuentes centrados, entre outras cuestións, na elaboración do orzamento para o mantemento do parque que incluiría tamén a limpeza de certas vías. Vendex traballou de balde no xardín do alcalde "Para gañar a vontade do alcalde e optar con maiores garantías" ao "futuro concurso" para privatizar a xestión do parque Véndex mandou, segundo a investigación, que empregados da empresa realizasen de balde "varias obras de xardinaría no chalet do alcalde", onde acudiron tres vehículos, dous deles "rotulados co logotipo da empresa Véndex", segundo testemuñaron os axentes que vixilaron a visita. O traballo íase realizar inicialmente nun día, o 27 de febreiro de 2012, pero segundo se tira das intervencións telefónicas, os operarios tiveron que regresar na xornada seguinte porque tiveron que "arranxar un difusor" e Marnotes sinalou que "de paso lle podían cortar a herba". Dende Véndex, di a documentación xudicial, dixéronlle que "non había problema, que total eran cinco minutos máis". Segundo a empresa, o alcalde estaba "empalmado co parque". "Teño que reservar a pasta xa" Un día despois de rematar os traballos no xardín do alcalde Cordero e Tutor abordan como marchan as xestións co Concello carballiñés. O rexedor, comentan, urxe a que a empresa lle detalle un orzamento do mantemento do parque para así poder acomodalo nos orzamentos municipais. "Díxome 'mira, o que ti queiras, pero teño que reservar a pasta xa", afirman que reclamou o alcalde, tamén denominado "el del pueblo" pola presunta trama. Nesta liña, a comezos de marzo os investigadores detectan unha cha mada na que o propio Argimiro Marnotes lle pregunta ao delegado provincial de Véndex "como leva eses números" e "Adrián di que ben, pero que lles falta algún dato que outro" porque "depende da duración coa que se faga o tema", isto é, o contrato. Segundo pasan os días os responsables da empresa semellan ter serias dificultades para ofrecer unha cifra por mor da gran dimensión do posible contrato. O parque, comentan, é "unha salvaxada". Segundo transcendeu, Marnotes argumentou que pretendía enlear a empresa para que non recorrese a súa decisión de anular o concurso do servizo de ORA Dous meses despois, e tras barallar a cifra de 300.000 euros, Marnotes por fin recibe unha cifra. En conversa telefónica Tutor ratifica que poden situar como referencia un prezo de 410.000 euros, aínda que "vai ser menos seguro". "Se lle baixamos poderíamos baixalo corenta ou cincuenta mil euros, pero é unha tolería agora mesmo", afirma. Ao coñecer a proposta Marnotes explica que "agora teño que xuntar os cartos de onde sexa". "A ver que carallo dou feito eu a xa vos pego unha chamada", resume. En marzo de 2013 Marnotes compareceu ante De Lara en calidade de imputado e declarouse "tranquilo" ante os que puidera suceder. Segundo transcendeu, admitiu que Véndex traballara no seu xardín e que non pagara os arranxos, pero porque foran defectuosos. Ademais, o argumentario do alcalde basearíase en que os seus tratos coa trama consistían en enlear os responsables da empresa aínda que non prevía darlles o contrato a dedo. O que pretendía, disque asegurou, era enlealos para que non presentasen un recurso contra a súa decisión de anular a contratación do servizo municipal de ORA, que comezara a tramitar o anterior goberno municipal, do PSdeG, e para o que Véndex era a única candidata despois de que outra empresa se tivese que retirar por defectos na súa proposta.
NOS_24359
O balance estatístico 2016-2020 sobre trata de persoas elaborado polo Ministerio do Interior recolle un cento de vítimas na Galiza con fins de explotación sexual, laboral e mendicidade.
A trata de seres humanos é unha forma de escravitude profundamente relacionada coa marxinación e a pobreza. Representa, ademais unha violación dos dereitos humanos que afecta, sobre todo, a mulleres e nenas. As cifras que buscan dar conta desta realidade son escasas. Malia responderen a estudos contrastados e fiábeis, non deixan de mostrar só "unha parte minúscula" do alcance da trata de persoas, que na práctica conta que fins moi diferentes, algúns pouco explorados. 70% das vítimas de violencia sexual son menores Segundo apunta o informe Radiografía da trata en Andalucía e na Galiza, elaborado pola asociación Accem a partir dos datos estatísticos recompilados polo Ministerio do Interior entre 2016 e 2020, publicado a finais de 2021, o traballo desenvolvido en calquera destes dous territorios para coñecer o impacto da trata de seres humanos con outros fins de explotación diferentes ao sexual é moi deficitario. Nos rexistros oficiais só figura un 5% das vítimas de trata Tampouco se ten explorado con suficiente interese a situación das persoas viven a trata en función do seu xénero, as consecuencias que sofren ou as necesidades de asistencia e protección que requiren, advirte. As estatísticas oficiais só recollen os casos denunciados que inician un periplo xudicial. Porén, a experiencia do asociacionismo que traballa ao carón das persoas máis vulnerábeis ou en situación de risco e das mulleres vítimas de violencias machistas achega números moi superiores. Xa avisa a ONU, nos rexistros oficiais só figura un 5% das vítimas, o que significa que por cada persoa declarada vítima de trata con fins de explotación sexual, de explotación laboral, mendicidade, matrimonios forzados ou actividades delitivas hai outras 20 sen recoñecer. Vítimas da trata na Galiza Entre 2016 e 2020, na Galiza rexistráronse un cento de persoas vítimas de trata e explotación. Os datos do Ministerio do Interior neste lustro non dá conta de ningún caso de trata relacionado coa comisión de actividade criminal nin con matrimonios forzosos. Tampouco coa extracción e o tráfico ilícito de órganos, sen identificar no conxunto do territorio estatal. As vítimas de trata e explotación sexual rexistradas na Galiza nese período foron as máis numerosas. As autoridades realizaron entre 2016 e 2020 un total de 620 inspeccións administrativas en lugares onde se exercía a prostitución, durante as cales identificaron 3.310 persoas en risco. Con todo, nas estatísticas oficias figuran 24 persoas vítimas de trata sexual e 39 vítimas de explotación sexual. Das 38 vítimas de mendicidade identificadas entre 2016 e 2020 en todo o Estado 12 rexistráronse na Galiza en 2018, o que supón 31,6% do total Polo que se refire á trata con fins de explotación laboral, a Galiza inspeccionou 658 persoas traballadoras en máis de 300 intervencións. Porén só se identificou unha vítima de trata laboral e 19 vítimas de explotación neste ámbito. Desde Accem chaman a non deixarse enganar pola cifras. "Na Galiza si que existe trata con fins de explotación sexual, quizais o número sexa menor que noutros territorios, pero unha vítima en cinco anos é o reflexo de que algo está fallando na loita contra a trata". Xornadas de 14 horas diarias de segunda feira a domingo: máis de 60 mulleres denuncian explotación laboral en Castroverde Por último, destaca o dato referido á mendicidade forzosa. Das 38 vítimas identificadas entre 2016 e 2020 en todo o Estado 12 rexistráronse na Galiza en 2018, o que supón 31,6% do total.
NOS_49936
Soben a 31 os pacientes hospitalizados pola Covid e a 481 os casos activos mentres baixan a 37 os novos contaxios rexistrados.
Os pacientes hospitalizados pola Covid-19 na Galiza aumentaron a 31, o que supón sete máis que a xornada anterior, así como os casos activos, que se elevan a 481 -oito máis-, mentres que os novos contaxios descenden a 37 -implican 22 menos que o día pasado-. Segundo os datos actualizados esta quinta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta cuarta feira, descenden a catro as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 -unha menos- e ascenden a 27 as que se atopan noutras unidades convencionais -oito máis-; mentres que 450 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta nas da Coruña-Cee, Ourense, Vigo, e Ferrol; mentres que se alivia nas de Pontevedra-O Salnés -a única sen ingresados na Galiza- e Lugo; e mantense na de Santiago-Barbanza. As infeccións activas aumentan en dúas das sete áreas sanitarias: Ourense (+10) e Santiago e Barbanza (+4) Os casos activos de Covid increméntanse por quinta xornada consecutiva no conxunto de Galiza e ascenden a 481, oito máis, ao haber de novo máis contaxios (37) que altas (29). As infeccións activas aumentan en dúas das sete áreas sanitarias: Ourense (+10) e Santiago e Barbanza (+4); descende nas de Vigo (-3), A Coruña e Cee (-1), Lugo (-1) e Ferrol (-1), mentres que se mantén sen cambios na de Pontevedra e O Salnés. Os novos contaxios de Covid-19 descenden a 37, que supoñen 22 menos que os 59 da xornada anterior, após os 43 do martes e 24 do inicio desta semana. O luns 11 de outubro rexistráronse 14, a cifra máis baixa desde que Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade'. En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test- cae ao 0,95%. Deste modo, continúa por baixo dese 5% que a OMS fixa como limiar para considerar controlada a pandemia. As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia no conxunto de Galiza mantéñense en 2.651, ao non notificar esta cuarta feira a Consellaría de Sanidade novas vítimas.
NOS_11263
Galiza inicia a última semana antes do verán cuunha lixeira repunta dos pacientes Covid hospitalizados, que aumentaron até os 69. Os casos activos, baixan até os 1.401, mentres que os novos contaxios redúcense a 56.
Segundo os datos publicados na mañá desta segunda feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18,00 horas deste domingo, hai 18 pacientes Covid en UCI -catro máis- e 51 noutras unidades -un máis-. Por áreas sanitarias, os pacientes Covid ingresados descenden nas de Ourense, Vigo, Santiago e O Barbanza e Pontevedra e O Salnés; aumentan nas da Coruña e Cee, Lugo e Ferrol. En concreto, na área da Coruña e Cee aumentan a catro os pacientes en UCI -un máis- e a 20 os doutras unidades de hospitalización -dous máis-, mentres que na de Ferrol seguen tres en críticos e increméntanse a seis os doutras unidades -un máis-. En canto á de Lugo aumentan a dous os pacientes ingresados pola Covid-19 en unidade de coidados intensivos -un máis- e catro noutras unidades -un máis-. Mentres, na de Santiago e oBarbanza continúan dúas persoas ingresadas en UCI pola Covid e descenden a cinco as doutras unidades -dúas menos-; así como na de Ourense, onde permanece un paciente en críticos e caen a tres os doutras unidades -un menos-. E na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés permanecen dous pacientes Covid en UCI -sen cambios- e descenden a cinco os doutras unidades de hospitalización -un menos-. Menos casos activos En canto aos casos activos de Covid-19 continúan en descenso continuado por vixésimo terceiro día consecutivo e caen a 1.401, 61 menos que sitúan a marca en niveis de mediados de agosto do pasado ano. As infeccións activas ascenderon lixeiramente nas áreas da Coruña e Cee (+8) e Ourense (+3), mentres que se reduciron nas de Vigo (-29), Lugo (-17), Santiago e OBarbanza (-13), Ferrol (-8) e Pontevedra e O Salnés (-5). Menos contaxios Os novos contaxios de Covid-19 inician a semana por baixo do centenar con 56, despois de alcanzar os 79 este domingo. Destes, 34 correspóndense coa área da Coruña e Cee; nove coa de Ourense; cinco coa de Santiago e O Barbanza; catro coa de Lugo; dous coa de Vigo; outros dous coa de Pontevedra e O Salnés; e ningún coa de Ferrol. En canto á taxa de positividade, comeza a semana arredor de 1,7%, por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada esta pandemia. A última vez que Galicia excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro. En canto á incidencia acumula, continúa estábel, arredor dos 21 e 43 casos por 100.000 habitantes a sete e 14 días. Vítimas Desde o inicio da pandemia faleceron en Galicia 2.430 persoas diagnosticadas con Covid-19, ao non notificar Sanidade novas vítimas esta fin de semana.
PRAZA_1681
Os voceiros de ambas as dúas formacións e mais do Grupo Mixto compareceron conxuntamente para denunciar o pacto a dous para a reforma do regulamento da cámara, e para a renovación do consello da CRTVG e do Consello Consultivo
Os grupos parlamentarios de AGE, BNG e o Grupo Mixto uníronse este xoves para criticar conxuntamente o acordo acadado entre PP e PSdeG-PSOE para a reforma do regulamento do Parlamento, e para a renovación do consello da CRTVG e do Consello Consultivo. Yolanda Díaz e Antón Sánchez (AGE), Francisco Jorquera e Tereixa Paz (BNG) e Consuelo Martínez (grupo mixto) compareceron na cámara para sinalar que entenden que o pacto obedece á proximidade duns comicios que "debilitarán o bipartidismo". Yolanda Díaz sinalou que con este acordo "PP e PSOE queren apontoar" "un réxime" que "xa está en cuestión nas rúas" e que "saíu danado das pasadas eleccións". A vicevoceira de AGE afirmou que "se as dúas forzas do bipartidismo dan a lexislatura por esgotada, o que teñen que facer é convocar eleccións". Díaz criticou que os dous principais partido "están poñendo límites á democracia, mesmo a democracia formal" e subliñou que a reforma do regulamento parlamentario supón "unha mordaza á oposición", ao reducir a capacidade de iniciativas e os tempos desta. "En todo caso" -concluíu- "a oposición tamén se vai facer dende á rúa", chamando a cidadanía "a se rebelar contra os recortes antidemocráticos". Pola súa banda, o portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, cualificou de "cambalache" o acordo PP-PSOE "cociñado de costas á Cámara", que "mostra un xeito de entender a política que degrada a democracia e que cada vez censura con máis forza a sociedade", afirmou. Jorquera denunciou que a reforma "pretende limitar a capacidade dos representantes da cidadanía para exercer o seu labor de control do goberno". "Non estamos pelexando por ter unha iniciativa máis ou menos, senón por defender os dereitos da cidadanía e que os seus problemas sexan debatidos con normalidade no Parlamento", dixo. "O gran beneficiado da reforma exprés do regulamento será o PP, ao igual que sucede coa renovación dos órganos estatutarios e do consello da CRTVG", engadiu.
NOS_39427
En só un mes, "A Dança dos Moscas" esgotou a primeira tiraxe. Caxade, a revelación musical da tempada, inicia agora a súa xira "Moscas a dançar". O semanario Sermos Galiza publica no seu novo número unha entrevista co músico.
Editado polo selo cooperativo "Discos da Máquina", o primeiro traballo de Caxade converteuse na grande revelación da tempada, esgotando a primeira tiraxe en só un mes e conseguindo o aplauso da crítica e do público. O día 25 no Café Arume de Bandeira (Silleda) comeza a súa xira que continuará na "Sala Aturuxo" de Bueu o día 8 de febreiro para seguir no Ultramarinos de Compostela o día 12. Redondela, Ourense, a Coruña e Lugo serán as seguintes citas para a presentación de "A Dança dos Moscas". O Auditorio de Redondela o 15 de marzo, o "Café Pop Torgal" de Ourense o 4 de abril, o Teatro Rosalía de Castro da Coruña o 15 de maio e na Sala Clavicémbalo de Lugo o 7 de xuño son outros dos concertos que se inclúen na xira. O semanario Sermos Galiza publica no seu n. 81, recén chegado aos quiosques e xa na nosa loxa, unha entrevista de Olalla Rodil con Caxade."Caxade é folk en sentido orixinario: comunicar e reivindicar", titúlase a conversa.
NOS_44266
A Oficina Federal de Investigacións (FBI, nas súas siglas en inglés) espiou o premio Nobel de Literatura Gabriel García Márquez durante 24 anos, entre 1961 e 1985, segundo publica "The Washington Post".
O diario estadounidense sinala que o director do FBI por aquel entón, J. Edgar Hoover, ordenou a apertura dun expediente sobre García Márquez cando se instalou en Manhattan xunto a súa dona e o seu fillo e pretendía abrir unha oficina de Prensa Latina, unha axencia de noticias cubana. O FBI puido ver nesta intención de García Márquez unha contribución ao Goberno de Fidel Castro, a quen o unían lazos de amizade. O pagamento de 200 dólares para custear unha estancia nun hotel foi un dos feitos que recollen as 137 páxinas desclasificadas polo FBI. The Washington Post informa de que o expediente sobre o escritor colombiano conta con 133 páxinas que aínda non viron a luz. Este documento contaría cos testemuños de nove persoas que se encargaban de seguir de perto a vida da familia.
NOS_46569
O Servizo Galego de Saúde informou da mudanza do protocolos os xerentes das sete áreas sanitarias do país.
O Servizo Galego de Saúde vén de presentar aos xerentes das sete áreas sanitarias de Galiza a actualización do protocolo para o réxime de visitas e acompañamento nos centros sanitarios galegos, adaptándoo á situación epidemiolóxica actual. Seguen en vigor medidas xerais A Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria lembra que continúan en vigor medidas e limitacións xerais, como respectar os aforos estabelecidos nas habitacións e outros espazos dos hospitais, estar en posesión do Certificado covid, ademais do uso continuo da máscara e o mantemento da distancia de seguridade interpersoal. Así mesmo, os acompañantes e as visitas de pacientes con infección por Covid-19, deberán facer uso do equipamento EPI para coronavirus. O protocolo recolle os criterios a cumprir polos acompañantes e visitas dos pacientes e usuarios en diferentes ámbitos, como son: as unidades de hospitalización convencional, as UCI, en Urxencias, nas consultas externas, no acceso aos hospitais de día e probas diagnósticas así como nos centros de atención primaria. No caso das unidades de hospitalización convencionais, permitirase a presencia dunha persoa nas visitas ou acompañamento por cada un dos pacientes ingresados. De tratarse de persoas con infección activa por Covid-19, permitirase o acompañamento dunha persoa por paciente, debendo acceder á habitación co equipo de protección individual axeitado. O BNG xa solicitara mudanzas O pasado 11 de febreiro, A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xa solicitaba unha revisión dos protocolos de acompañamento das persoas hospitalizadas con Covid. Facíao após reunirse con Manuel Iglesias, mozo que non puido visitar a súa nai antes de falecer estando ingresada no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Desde o BNG instaban a Xunta a que mellorase os protocolos para poder ofrecer un "trato o máis humanizado".
NOS_49412
Nos próximos días decorrerán a penúltima xornada da Liga Guerreiras de Balonmán e o trofeo da Deputación da Coruña.
A máxima categoría do balonmán estatal afronta a súa recta final, e Balonmán Porriño e Atlético Guardés, as escuadras que representan Galiza na Liga Guerreiras Iberdrola, afrontan unha xornada dispar para os seus intereses. O conxunto porriñés, que xa ten garantida matematicamente a salvación, recibirá na súa casa este sábado ás 20 horas o Zubileta Evolution Balonmán Zuazo, que despois de superar na última data Balonmán Morvedre (24-22) ocupa a terceira praza no grupo por eludir o descenso con 18 puntos e tamén ten asegurada a permanencia. Porén, e lonxe de apostar pola relaxación, o preparador do Conservas Orbe Rubensa, Ismael Martínez, indicou que tratarán de ser "o máis competitivas posíbeis, pois este choque pode ser decisivo se queremos ser primeiras do grupo". "Gañando, penso que aseguramos, como mínimo o segundo posto, que é o obxectivo que nos marcamos ao inicio desta segunda fase", engadiu. Martínez admitiu que o Zuazo é "un bo equipo, que está moi ben traballado, cunha defensa proactiva que recupera moitísimos balóns". Non obstante, agarda que as súas xogadoras sexan quen "de simplificar o xogo e ser mellores sen o balón", e que non noten as recentes baixas por lesión de nomes tan importantes como Soraia Lopes ou Fátima Aleyén. Pola súa banda, o Atlético Guardés viaxa até Catalunya para saltar ao parqué do Palau d'Esports de Granollers tamén o sábado ás 19 horas na sétima xornada do grupo polo título. Situado actualmente na segunda posición, con catro puntos de vantaxe sobre o terceiro clasificado -Rocasa Gran Canaria- e a seis dun xa inalcanzábel líder -Super Amara Bera Bera-, ten a tiro a posibilidade de repetir o subcampionato logrado na tempada 2017/18. Mais a secretaría técnica do conxunto do sur da Galiza non descansa, e xa está traballando na configuración do cadro de xogadoras de cara á vindeira campaña, no que o obxectivo será asaltar o título ligueiro, polo que veñen de anunciar a incorporación da versátil lateral zurda brasileira Gabriela Pessoa Constantino, que procede do São Paulo. A Deputación leva a Final Four á Coruña e Carballo O pavillón municipal de Tarrío, en Culleredo, e o pavillón de deportes Vila de Noia de Carballo acollen o vindeiro domingo, 16 de maio, e a segunda feira, día 17, a Final Four do trofeo Deputación da Coruña de Balomán, organizada pola Federación Galega de Balonmán (FGB) en colaboración coa institución provincial coruñesa. As semifinais terán lugar en Culleredo e comezará cos encontros femininos entre Tui e Chapela (12 horas) e Samertolameu e Pabellón (16 horas). Unha vez finalizado este último choque, será a quenda dos homes, xogando os locais de Balonmán Culleredo contra Atlético Novás ás 18 horas e MC360 Porto Artai contra Balonmán Porriño ás 20 horas. Ao día seguinte, a competición trasladarase a Carballo, onde as escuadras perdedoras dilucidarán o terceiro posto da Primeira Autonómica feminina e masculina pola mañá -ás 11 e ás 13 horas, respectivamente-, mentres que os equipos gañadores disputarán a final feminina ás 16.30 horas e a masculina ás 18.30. As persoas encargadas de entregar os trofeos serán a deputada de Deportes, Cristina Capelán; o alcalde de Carballo, Evancio Ferreiro; e o presidente da Federación Española de Balonmán, Francisco Blásquez.
PRAZA_17461
Este luns celebrouse en Madrid a vista oral do xuízo contra o mozo carballiñés, que estivo acompañado dunha concentración de apoio e pola presenza de representantes de En Marea no Congreso e no Parlamento galego. "Síntome máis tranquilo e seguro. A verdade está da miña parte, non hai ningún delito", destaca.
Este luns celebrouse en Madrid a vista oral do xuízo contra Emilio Cao. No tribunal a Fiscalía reafirmouse na petición de penas de 5 anos e 8 meses de prisión (catro anos por un delito de atentado e un ano e medio por un delito de desorde pública) para o mozo carballiñés, ademais de 600 euros de multa. Durante toda a mañá Emilio Cao estivo acompañado por unha concentración de apoio na que participaron ducias de persoas con faixas que demandaban a súa absolución. "Síntome máis tranquilo e seguro. A verdade está da miña parte. Non hai ningún delito, nin atentado nin desordes públicos", afirmou Cao ás portas dos Xulgados do Penal da capital do Estado. A Defensa de Emilio Cao cualifica de "desproporcionada" a petición de pena realizada pola Fiscalía, lembrando que non se identificou vítima ningunha dese posible delito de "atentado". "Síntome máis tranquilo e seguro. A verdade está da miña parte. Non hai ningún delito, nin atentado nin desordes públicos", afirmou Emilio Cao ás portas dos Xulgados O mozo estivo acompañado tamén por un gran número de representantes políticos, entre os que destacaban os deputados e deputadas de En Marea no Congreso Miguel Anxo Fernán Vello, Ángela Rodríguez e Antón Gómez-Reino e no Parlamento galego Paula Quinteiro e Antón Sánchez. Tamén participou o concelleiro en Santiago de Compostela Jorge Duarte. Miguel Anxo Fernán Vello, portavoz de En Marea no Congreso, afirmou que "estamos aquí para mostrar a solidariedade plena con Emilio Cao e para denunciar o estado de persecución e de represión a partir da Lei Mordaza instaurada polo Partido Popular". Engadiu que "son vítimas directas desa represión, dese ataque continuo en contra da liberdade de expresión" e esixiulle a Pedro Sánchez "que derrogue a Lei Mordaza, sen medias tintas". Pola súa banda, Antón Sánchez, Portavoz Nacional de Anova, afirmou que "vimos dende Galicia a solidarizarnos con Emilio. Por el e por esa xeración que, nos peores anos da crise, saíu a reclamar xustiza contra a estafa e para defender un futuro digno para eles". Sánchez concordou na esixencia ao novo Goberno de Pedro Sánchez: "O Estado montou unha serie de artefactos lexislativos e policiais de represión contra a reclamación de xustiza social que cremos que hai que desmontar", dixo. Máis de catro anos dos feitos xulgados Hai máis de catro anos, o 22 de marzo de 2014, Emilio Cao foi detido en Madrid. Daquela tiña 17 anos, estaba integrado no colectivo Estudantes sen Futuro e viaxara á capital do Estado coa Columna galega das Marchas da Dignidade para participar na masiva manifestación que reclamaba "pan, traballo e teito" no momento máis duro da crise económica. A policía cargou durante o acto final da marcha, mentres aínda falaba Diego Cañamero, e 24 persoas foron detidas, tres delas galegas, entre elas Emilio. "Cóllenme, tíranme ao chan, esmáganme a cabeza co escudo contra o chan. Iso foi complemente innecesario, non había ningunha posibilidade de que eu puidese escapar", lembra. Foi trasladado despois á comisaría, onde non soubo ata o día seguinte de que fora acusado, e sometidos a un trato degradante: "Estivemos moitas horas de pé contra unha parede branca, sen poder falar cos compañeiros que tiñamos ao lado, que estaban tamén detidos".
NOS_5708
"Acórdaste do médico aquel? O xefe daquela amiga tan mona que é enfermeira (…)". Así reza o anuncio da nova cafetaría do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), que CCOO e a Asociación de Mulleres Feministas de Ourense "Falando Nós" piden retirar por "machista".
"Burdos, lesivos e machistas". Así cualifica CCOO o anuncio da nova cafetaría do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), que recolle estereotipos sexistas como un médico xefe, unha enfermeira "mona", un home que vai para anestesista e unha sogra "que sempre está de cafés". O sindicato trasladou o anuncio, difundido masivamente en folletos, ao Observatorio da Imaxe da Muller do Ministerio de Igualdade por consideralo "un atentado contra a dignidade das mulleres". As frases, di CCOO, amosan un "intolerábel machismo" ao presentar eles como xefes e as mulleres como "subordinadas, ociosas e chismosas". CCOO tamén se dirixiu á xerencia do hospital para solicitar a retirada do anuncio e para "erradicar" este tipo de cuestións no CHUO. Tamén enviou un escrito á xerencia, ao que tivo acceso Sermos Galiza, para solicitar a eliminación do texto o Foro Feminista "Falando Nós", que critica o "trato vexatorio dado ás mulleres na propaganda da nova cafetaría". "Falando Nós" denuncia o "menosprezo ao que estamos sometidas as mulleres" e que o machismo e mais o patriarcado "aínda están presentes na sociedade".
NOS_40915
Día histórico para o sector lácteo galego. Esta terza feira 1 de Abril de 2015 desaparece o sistema de cotas imposto por Bruxelas a mediados dos 80 e comeza unha nova etapa de 'libre mercado' para as 9.000 explotacións galegas que suporá novos retos e desafíos.
Este 1 de abril comeza un novo escenario para o sector leiteiro galego coa fin da cota láctea, un mecanismo de 'control da produción' imposto desde Bruxelas a mediados da década dos 80 e que caeu sobre o sector galego como unha lousa. Galiza afronte o reto sendo un dos 10 territorios de Europa con maior produción de leite. A 'liberalización' do mercado chega após os produtores galegos teren investido nestes anos diñeiro e traballo en mercar (até 2005) e alugar (desde entón até hoxe) cota láctea polo Estado español adiante e poder así facer fronte ás imposicións de Bruxelas e evitar multas por 'super-taxa'. Todo un esforzo económico, e non só económico, que fica en nada a partir deste 1 de abril. Galiza afronta o reto sendo un dos 10 territorios de Europa con maior produción de leite O cupo anual para Galiza era de 2,2 millóns de toneladas, por baixo da produción, de aí esa compra e aluguer de cota. O noso país representa o 40% da produción de leite do Estado español e temos máis das metade das explotacións. Porén, apenas recibiamos un terzo da cota do Estado (6,5 millóns). Nestes últimos seis anos perdéronse 9.000 titulares de explotacións. Desde 2012 o noso país fechou unha media de 2 explotacións cada día. O prezo que se lle paga ao produtor está en niveis que apenas cobren os custos... e chega o 'libre mercado'. E chega nun rural aventellado, con dados como os que indican que só un 5% da poboación agraria ten menos de 40 anos. Febleza A Consellaría de Medio Rural afirma que a etapa que agora comeza é unha oportunidade de expansión para o sector galego do leite. Mais produtores e expertos coinciden en sinalar que Galiza chega a este punto con 2 puntos moi febles a respecto de competidores: escasa organización en cooperativas e carencia dunha industria transformadora potente. Chega o libre mercado perante uns produtores galegos 'indefensos' e coa sombra de 'dumping' a cargo das potencias leiteiras europeas sobre mercados nosos... De feito, e como se sinala en informes como 'A Economía Galega', coa liberalización vaise tender a unha concentración da produción láctea naquelas zonas con máis vantaxes competitivas: menos custos de produción, unha industria sólida, cadea mellor organizada... Características que definen zonas como as de centro e norte europa. Galiza chega a este punto con 2 puntos moi febles a respecto de competidores: escasa organización en cooperativas e carencia dunha industria transformadora potente As organizacións agrarias Fruga advertiu esta fin de semana, na súa II Asemblea Nacional, de que a "liberalización" do sector lácteo após a "supresión" das cotas lácteas provocará "excedentes" na produción, ben como "grandes caídas" no prezo do leite. "Preocúpanos moito esta desaparición", subliñara o dirixente de Fruga Manuel Dacal. Con todo, rexeitou defender o sistema de cotas. Desde o Sindicato Labrego Galego (SLG) denúnciase que co final das cotas lácteas "as industrias están aumentando a presión para obrigar as explotacións a asinar contratos contratos a prezo de miseria que andan entre os 26 e 28 céntimos por litro". Esta organización criticou a pasividade da Xunta perante o novo escenario e afirmou que nestes 30 anos de cota láctea Galiza pasou de ter 122.000 explotacións a 10.000. Desde Xóvenes Agricultores cren que este sistema de cotas para o sector lácteo foi prexudicial para Galiza e coa súa desaparición "só temos que pensar en competir, pero iso si, con contratos referenciados". O secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, di que están acesas "as luces vermellas" polo que poida pasar. Erros de cálculo na cota láctea A finais de 2014 o Ministerio de Agricultura española calculaba en máis de 128.000 toneladas a fenda entre cota e produción,o que implicaba unha multa de perto de 36 millóns de euros. Mais en febreiro, o novo informe elaborado por este departamento español reducía esa diferenza entre cota láctea e leite producido a unha cifra que, traducida en sanción, roldaría os 2,2 millóns de euros, 34 menos que os que o propio Ministerio aseguraba hai só uns meses que había que pagar. Esa redución, porén, non deixa de anoxar os e as gandeiras por unha "falla de rigor" que obrigou a explotacións galegas a investir moito diñeiro no seu momento para arrendar máis cota láctea, algo que non faría falla facer en vista dos últimos dados do Ministerio. Diversos cálculos apontan a que por volta de 5.000 gandeir@s de Galiza -a metade dos existentes- ultrapasarán a cota láctea. Mais, e como recoñecen desde o propio Estado, aqueles e aquelas que terán que pagar multa roldarían o 5%. Serían as explotacións que excederon por moito a cota. Hai unha década, gandeir@s galeg@s pagaron unha multa de 1,5 millóns de euros por superar a cota.
PRAZA_19629
Entendo que os xornais teñen que defenderse dos seus verdadeiros competidores: o Marca e o As, pero onde está o límite?
Leo nun artigo de Marcos Perez Pena que a cuberta dun xornal reflicte a imaxe da sociedade que ese medio quere transmitir. Son cubertas famosas as do diario francés Libération (La Une), ou as do ABC, que enchen o 100% da páxina cunha foto a toda cor que singulariza a publicación en calquera quiosco. Coincide a lectura desa análise sobre o panorama dos medios en Galiza con que levo case tres semanas, froito dunha intuición nebulosa, anotando como xestiona as súas cubertas a edición de La Voz de Galicia en Vigo Coincide a lectura desa análise sobre o panorama dos medios en Galiza con que levo case tres semanas, froito dunha intuición nebulosa, anotando como xestiona as súas cubertas a edición de La Voz de Galicia en Vigo. Non toda a cuberta, as miñas anotacións limítanse á fotografía principal, que é onde as redaccións se mostran máis creativas verbo da imaxe que queren transmitir. Unha desas fotografías foi para Rato e Blesa, aos que o xuíz deixaba en liberdade e sen medidas cautelares despois de seren condenados polo caso das tarxetas black. Outra para a Festa da Arribada celebrada en Baiona. O día seguinte a foto titulaba: "A complicada viaxe da dovela xigante". Que non sabedes o que é unha dovela? Pois unha peza do taboleiro para a ampliación da ponte de Rande que quedou atoada nunha área de servizo da autovía das Rías Baixas, aló por Ribadavia. 24 horas despois, para que non se pensase que a obra corría perigo, a foto era de outra peza similar que non tivera problemas de transporte: "En Rande xa hai unha dovela xigante" titulábase. "Xa", "Rande" e "xigante"... Queda claro? Outro día a foto referíase ao tempo: "Onte 30 graos e mañá neve por riba dos 1000 metros". Durante o verán a metade das cubertas falarán da calor, coma no inverno do frío, pero nesta altura o asunto parecía collido polos pelos. En Vigo nin unha cousa nin outra. O día anterior houbera 26 graos e o día seguinte pasou dos 15. Unicamente se collemos a máxima de Ourense e buscamos a neve nas umbrías de Pena Trevinca... pero non era a Voz de Vigo?. O día seguinte... a ver como volo explico. Resulta que o gordo da lotería caeu nunha ocasión en Vigo, no ano 1974. Fora un premio repartido porque se vendera en participacións nun bar de nome "O Compostelano". Na cuberta viña a foto actual do dono de aquel bar. Non se cumpren 50 anos, non estamos en tempo de loterías, non morreu o home e desexamos que viva moitos anos, pero esa é a foto que a redacción da Voz de Vigo elixiu para a súa cuberta neste día de 2017. Que pasa? non había máis dovelas? Dous días máis tarde un mozo dentro dun coche pequeno detido na beira da estrada sacaba a cabeza pola xanela e o pe de foto era: "Estudantes da contorna de Vigo precisan coche para ir a clase". Non fodas! En serio? Resulta que hai universitarios de Gondomar ou de Tomiño que non teñen transporte público para ir desde a casiña á facultade. Criaturiñas, non hai dereito. Exclusiva mundial! Un día despois unha muller musulmá, técnica en radioloxía no hospital Álvaro Cunqueiro, dicía: "Eu traballo con velo no hospital". Pois moi ben. Non quedaba claro cal era a noticia nin que eu saiba era este un debate candente na sociedade viguesa. Polo demais... O resto dos días, once en total, a cuberta pintouna o Celta: Na primeira da serie Iago Aspas laiábase por un empate fronte ao Español. Outro día a foto anunciaba que o equipo ía xogar en Barcelona e amosaba un adestramento en mollado. O día seguinte xa xogou e palmou 5-0. Noutra ocasión dicíannos que o Celta buscaba impulso para meterse nos cuartos de final da Europa League. Na seguinte cuberta infórmase de que o Celta cobra xusta vantaxe (2-1). O Celta é cuberta se gaña, se empata e se perde. Ë noticia en si. Tras un descanso de dous días o Celta perdía na casa co Vilarreal e o titular baixo a foto era que "O Celta ve afastarse as prazas europeas". Outros dous días de descanso e a traca final: a foto da cuberta dos últimos cinco días seguidos, ata hoxe, foi para o equipo de fútbol local: "O Celta desprega o seu mellor baile" Titular enigmático, sobre todo porque é previo ao partido en Krasnodar. Tras vencer nese partido: "O Celta cos grandes de Europa". Volven pasar 24 horas e: "Un rival asequíbel para meterse en semifinais". Onte lemos que "O Celta mide a súa euforia en Riazor" e hoxe que "Aspas puxo a guinda". Que imaxe da sociedade se quere transmitir? Estas once cubertas coinciden con que PSA-Citroën adquiriu Opel, houbo unha folga xeral no ensino, celebrouse o día da muller traballadora ou ETA anunciou que entregaba as armas, cousiñas así Que imaxe da sociedade se quere transmitir? Estas once cubertas coinciden con que PSA-Citroën adquiriu Opel, houbo unha folga xeral no ensino, celebrouse o día da muller traballadora ou ETA anunciou que entregaba as armas, cousiñas así. No entanto A Voz de Galicia dinos que Vigo é un sitio no que se fala castelán, as temperaturas varían, algúns universitarios van en coche á facultade, fai corenta e tres anos tocou a lotería, unha empregada do hospital leva un velo, dous camións transportan pezas e, sobre todo, hai un equipo de fútbol. Dezanove días, once cubertas para o Celta. Xa dicía Manuel Antonio na súa correspondencia que o progreso social en Vigo era complicado: á xente o que lle importaba era o fútbol. Entendo que os xornais teñen que defenderse dos seus verdadeiros competidores: o Marca e o As, pero onde está o límite? O experimento fíxeno coa Voz pero o Faro non difire moito e a SER local nin vos conto. Entendo que os xornais teñen que defenderse dos seus verdadeiros competidores: o Marca e o As, pero onde está o límite? En vez do 60%, vai ocupar o fútbol o 80%? Por que non o 90%? Se os deportivos de Madrid presionan, eu aposto a que os xornais galegos van acabar sacando a tía en bolas na última páxina.
NOS_46446
Así o anunciou nun escrito en resposta á plataforma Salvemos Cabana, colectivo convencido de que Edgewater está a incumprir practicamente o texto íntegro da Directiva marco a auga
A Comisión europea de medio ambiente exixirá que a empresa Edgewater cumpra coa lexislación comunitaria na explotación mineira a ceo aberto que proxecta na parroquia de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños. Así o manifestou nunha resposta á plataforma Salvemos Cabana, que solicitara ao comisario europeo, Janez Potocnik, que avaliase os plans da mineira canadense ao entender o colectivo que se contradicía directamente coa resolución do Parlamento Europeo do 20 de abril de 2012 defendida polo seu propio departamento, na que pide aos estados membros "que velen por unha aplicación plena e adecuada da lexislación da UE en materia de medio ambiente". No escrito que vén de recibir o colectivo veciñal, a Comisión aclara que xa solicitou ás autoridades españolas "información detallada sobre o proxecto mineiro", así como sobre a adecuación do proxecto mineiro á lexislación ambiental da UE e que analizará de xeito exhaustivo toda a documentación remitida "para garantir o pleno cumprimento da lexislación europea". Posíbel incumprimento da Directiva marco da auga Tanto a plataforma como fontes expertas en lexislación medioambienta comunitaria sinalan que Edgewater está a incumprir "non todo, mais practicamente todo" o texto da Directiva marco da auga, que establece un marco de acción comunitario e que naceu "coa vocación de garantir de protección do recurso hídrico e promover un uso sostíbel que garanta a dispoñibilidade deste recurso indispensable a longo prazo". Así as cousas, Salvemos Cabana enfatiza que o obxecto da directiva europea é estabelecer un marco para a protección das augas, "previndo a deterioración adicional e a protección e mellora dos ecosistemas acuáticos, así como dos ecosistemas terrestres dependentes e a redución da contaminación dos cursos fluviais superficiais e subterráneos". "Non é en absoluto compatíbel co uso de 1.100.000 litros de auga potable por día no proceso de recuperación do ouro ou no desvío dunha canle fluvial como o do río Lourido", acrecenta o colectivo, repasando tamén os tres estudos científicos independentes que certifican que a antiga actividade mineira realizada en galería a pequena escala e hai cen anos "está a contaminar sen remedio o río Anllóns cuns niveis de arsénico inasumíbeis que alcanzan os 850 quilos anuais vertidos ao esteiro fluvial".
PRAZA_2962
Falamos con Cristina Palacios, presidenta de Arelas, Asociación de familias de menores trans, sobre o suicidio de Alan e as medidas que se deberían adoptar nos centros de ensino. "Se non se fala do tema, os alumnos e alumnas ven raras as persoas transexuais. E aí comeza o acoso", destaca.
O pasado sábado coñeceuse o suicidio de Alan, un rapaz catalán de 17 anos, transexual, que decidiu quitar a vida polo acoso ao que era sometido no ámbito escolar. Alan fora un dos primeiros menores trans que en Cataluña fora autorizado a cambiar oficialmente o seu nome, un proceso que nos últimos meses tamén conseguiu levar a cabo un pequeno grupo de rapaces e rapazas en Galicia. Porén, a presión e o bullying que sufría foi insoportable. A nai de Alan, en entrevista publicada este mércores en El Mundo, denuncia que a morte do seu fillo foi "un crime social". Cristina Palacios, nai dunha nena transexual, constituíu este verán a Asociación de familias de menores trans* Arelas, unha entidade que defende os dereitos destas persoas e familias en Galicia promovendo, entre outras cuestións, accións informativas nos centros de ensino e medidas concretas para facer normal nos colexios e na sociedade o que nos corpos dos seus fillos e fillas é tamén normal. Nestes momentos Arelas traballa coa Consellería de Educación na elaboración dun protocolo neste senso. "Pásase en puntas de pé por este tema, e despois pasa o que pasa: os alumnos e alumnas ven raros e raras as persoas transexuais. E aí é onde comeza o insulto, o acoso, os silencios..." Como valoras a morte de Alan? Por que se produce? Que conclusións podemos tirar? O que penso estes días é que a sociedade está a fracasar como sociedade. E a comunidade educativa está fracasando tamén no referente ao acoso e ao bullying, porque o acoso e o bullying ocorren cada día nos centros escolares, en relación aos menores transexuais e en moitos outros rapaces e rapazas. Por desgraza, Alan non foi o primeiro e probablemente tampouco será o último. Hai tamén un fracaso polo descoñecemento xeral que existe sobre este asunto e a habitual actitude de mirar cara a outro lado. Vemos como nos colexios e institutos é francamente difícil para nós poder dar información ou, cando menos, solicitar que o fagan os educadores e orientadores. Ninguén quere mollarse neste tema. Todo se fai de maneira transversal, pero a vida non é transversal, a vida é o aquí e o agora. Aínda que xa conseguimos cousas, e pouco a pouco imos conseguindo máis, queda moitísimo por facer dende a educación. Pásase en puntas de pé por este tema, non se fala del e despois pasa o que pasa: os alumnos e alumnas ven raros e raras as persoas transexuais, como ven raro a todo o que é diferente. E aí é onde comeza o insulto, o acoso, os silencios... Ás veces os silencios doen máis que as palabras, ignorar unha persoa e arrinconala. Queda moito por facer nos colexios, non se está traballando realmente na diversidade e na igualdade. Non se avanzou nada. "Queda moito por facer nos colexios, non se está traballando realmente na diversidade e na igualdade. Non se avanzou nada" A morte de Alan é terrible, pero entendo que é só a punta do iceberg, que por debaixo hai moitísimos casos de pequenas violencias e sufrimentos cotiás, non si? O caso de Alan é, en primeiro lugar, un caso que chegamos a coñecer, e coñecémolo porque a súa familia estaba nunha asociación e decidiron facelo público. Pero moitos outros nin sequera saen á luz. As estatísticas están aí: o 81% dos adolescentes transexuais pensan en suicidarse e moitos inténtano e, desgraciadamente, moitos conségueno. Non todos teñen o apoio das súas familias, polo que moitas mortes son silenciadas. Outro dato é que o 40% dos e das adolescentes trans tentaron quitar a vida. É unha barbaridade. Eu podería contarche moitos casos de nenos e nenas que cada día sofren acoso en centros de ensino de Galicia. E a xente quítalle importancia e mira para outro lado. "O 40% dos e das adolescentes trans tentaron quitar a vida" Estas cousas pasan todos os días. Ese sentimento de non querer seguir vivindo ocorre con moita frecuencia nos e nas adolescentes transexuais, e iso é terrible. E isto pasa porque a xente coa que conviven: familiares, compañeiros..., cada día lles fan ver que son raros, que son anormais, que non entran dentro do que é esperable ou desexable, que ser diferente é horroroso. E, claro, acabas por convencerte de que non tes espazo e de que a vida non ten moito sentido. Reflexionemos todos por que pasa isto. Ser transexual non implica que teñas depresión ou que sexan menos feliz. Eu teño unha nena marabillosa que, afortunadamente, non sofre estas cousas, e que o que quere é vivir e facer cousas todos os días. Aí está a diferenza entre sufrir un acoso e non sufrilo, entre ser respectado e non selo. "Vemos cada día que os mestres, os psicólogos, os médicos... non teñen nin idea de transexualidade, sobre todo nos menores, que é unha realidade diferente á dos adultos" Que se pode facer? Pois, dende logo, dar moita información. Pero claro, primeiro teñen que formarse os profesionais. Vemos cada día que os mestres, os psicólogos, os médicos... non teñen nin idea de transexualidade, sobre todo nos menores, que é unha realidade diferente á dos adultos. Hai pouco coñecemento e o que hai está moi baseado en clixés e estereotipos e en prexuízos moi antigos que nada teñen que ver coa realidade actual. Primeiro, formación, e despois información, que se informe ao alumnado nos colexios e institutos, onde ten que comezar a falarse dunha maneira aberta a clara do que é a diversidade sexual. E non dunha maneira transversal. Non, falemos directamente do tema, poñámoslle nomes e apelidos, non hai nada que ocultar. Cando hai coñecemento e a xente ve que estas persoas son tan homes ou mulleres como calquera, teñan o que teñan entre as pernas, convivirán con elas e eles con toda a naturalidade do mundo. Notamos que nos centros de ensino quere agocharse todo isto, como un tema tabú. Queremos que os nosos fillos non perciban que isto é un tabú. A miña filla hai ano e medio que levou a cabo o tránsito no seu centro, pero eu aínda non conseguín dar aí unha charla. Cal é o medo a que se fale de transexualidade? "Cando hai coñecemento e a xente ve que estas persoas son tan homes ou mulleres como calquera, teñan o que teñan entre as pernas, convivirán con elas e eles con toda a naturalidade do mundo" Eu entendo que para uns nenos e nenas sexa difícil asimilar que un dos seus compañeiros, que durante anos foi a clase vestido de nena e con nome de nena, de súpeto un día comeza a ir vestido de neno e con nome de neno. Pois haberá que explicarlles con normalidade o que sucedeu e seguramente entenderano perfectamente. Os nenos e os adolescentes cambian o chip moi rapidamente e decátanse das cousas. Pero o que non pode ser é que perciban que hai un tabú, que hai un medo a explicar isto. Porque neste caso si que verán que algo malo está pasando. E como é malo e é diferente, pois imos ir a por el. "Cando un neno diga que é un neno, pois haberá que respectalo, chamarlle polo nome que el decida e tratalo coma un neno e, ademais, terá que utilizar os espazos destinados aos nenos" Que medidas e accións concretas propoñedes dende Arelas? Desde Arelas estamos traballando nun protocolo educativo sobre diversidade coa Consellería de Educación, que probablemente se aprobe proximamente, no que se fala destas cuestións. Cando un neno diga que é un neno, pois haberá que respectalo, chamarlle polo nome que el decida e tratalo coma un neno e, ademais, terá que utilizar os espazos destinados aos nenos, xa que -tristemente- aínda seguimos distinguindo entre os espazos de nenos e de nenas. Parece moi obvio, pero como de momento non se está respectando, pois por iso tivemos que redactar un protocolo. Nalgún centro obrigaron a un neno transexual a empregar o baño dos mestres. Noutro querían obrigar a que unha nena trans usase o baño dunha hora a unha hora determinada. Este protocolo vai ser moi importante. Non hai ningún en Galicia polo de agora e, de feito, en España só se aplica un en Andalucía. Sería moi importante que xa este mesmo curso este protocolo puidese chegar a todos os centros. Mira en youtube a charla ofrecida por Cristina Palacios, "TRANS*formando la sociedad"
NOS_9418
Comunícao a Federación Galega de Asociacións de Familiares de Usuarias de Residencias e da Dependencia, que cualifica de "burdo e opaco" o "conteo actual de vítimas" que fai a Xunta.
O pasado 14 de abril coñecíase que unha das anciás trasladadas á residencia de tempo libre que a Xunta ten no lugar de Patos, en Nigrán, habilitada para acoller residentes xeriátricas que non estivesen afectadas polo coronavirus, dera positivo.Era unha residente que fora trasladada a Nigrán desde a residencia DomusVi do Barreiro, en Vigo. Rede, a Federación Galega de Asociacións de Familiares de Usuarias de Residencias e da Dependencia, vén de informar do falecemento desa muller, nonaxenaria. "O feito produciuse esta semana e pasou totalmente desapercibido nos listados "confusos e tramposos" que as consellerías de Política Social e de Sanidade fabrican cada día", manifestan. A Federación Galega de Familiares Rede, ven expresando pnestes días a súa repulsa a este conteo "burdo e opaco de vítimas, que fala moi mal da calidade da democracia na Galiza". O Albergue de Patos foi adaptado como solución de emerxencia para separar as persoas usuarias (de Aldán e Barreiro) que deran negativo e positivo nas probas da COVID 19. "As instalación de Patos non estaban nin están preparadas para acondicionar persoas maiores dependentes por carecer de baño xeriátrico e grúas para a procura da movilidade", din as familiares.
PRAZA_14764
O Comité Nacional dos socialistas aprobará o 10 de novembro un calendario que desembocará nun congreso extraordinario, no que na formación se dá por feito que chegará a remuda na secretaría xeral
Foron dúas imaxes as que, posiblemente, resumiron mellor o acontecido nas eleccións autonómicas de 2009. A primeira produciuse o propio 1 de marzo daquel ano, cun Alberto Núñez Feijóo entre sorprendido e exultante, festexando a súa primeira maioría absoluta. A outra chegou ao día seguinte e tivo como protagonista a Emilio Pérez Touriño, que ratificaba ante a prensa a súa dimisión como secretario xeral do PSdeG, consumando así un movemento político que comezara a xestarse na cúpula do partido na propia fin de semana das eleccións. Daquela os socialistas apostaran por un proceso exprés, tanto que o novo presidente da Xunta tomou posesión o 18 de abril e, unha semana despois, Pachi Vázquez chegaba á secretaría xeral a través dun congreso extraordinario. Desta volta a derrota electoral provocará tamén un relevo, pero non instantáneo. Tras o duro correctivo electoral que os socialistas veñen de sufrir Vázquez expuxo este luns ante a Executiva Nacional da formación a súa proposta para o futuro máis inmediato ou, o que é o mesmo, para a súa propia sucesión e a do seu equipo. Será nun congreso, pero non ás présas. Atendendo a ese cronograma, aprobado "por unanimidade" segundo a información transmitida polo secretario de organización, Pablo García, tras a longa xuntanza de máis de tres horas, o vindeiro 10 de novembro encetarase o proceso cun Comité Nacional "no que se vai trasladar" a "profunda reflexión" sobre a derrota que "xa comezou". Nesa mesma xuntanza do máximo órgano entre congresos aprobarase tamén un "calendario" concreto que "desembocará nun congreso extraordinario" a celebrar no ano 2013. A nova dirección do PSdeG elixirase nun congreso extraordinario a celebrar en 2013 "Esta dirección ten a responsabilidade de ordenar este proceso", explica García que, sen explicitalo, dá por feito que este será o derradeiro labor interno da cúpula emanada do congreso ordinario do pasado marzo, no que Vázquez foi reelixido. Nese cónclave elixirase "unha nova dirección", admite, pero mentres "a vida segue igual" e as "estruturas" internas seguirán a funcionar. Elas serán, polo tanto, as que elixan quen dirixirá o grupo parlamentario socialista ata o congreso e, na mesma liña, designarán a persoa que lle dará a réplica a Alberto Núñez Feijóo no complexo debate de investidura. García retruca así as voces internas que, como a do ex deputado Ismael Rego, reclaman unha marcha inmediata de Vázquez. Esas peticións cómpre "respectalas", di, pero "rozan o mal gusto", máis aínda cando a "unanimidade" da Executiva, afirma, apoia que Vázquez continúe ata o congreso. Pero, a que altura do ano 2013 se producirá o relevo? Esa é aínda unha incógnita. Depende, explica Pablo García, do que decida o Comité Nacional pero tamén da ubicación temporal das conferencias políticas que a dirección federal do PSOE ten previsto celebrar para redefinir a súa estrutura organizativa e tamén a súa proposta programática. Neste sentido o socialista lembra as verbas do propio Vázquez na noite electoral, encamiñadas á apertura dunha "profunda reflexión en Galicia e en España" sobre a sangría de apoios que sofre o partido. No entorno do PSdeG dáse por feito que o seguinte desplome será en Catalunya, da man do PSC. A partir de aí, afirman, empezará a poñerse en práctica a reflexión e tamén unha renovación para a que, no caso galego, aínda non saltan nomes propios.
NOS_41768
Con xa dez anos de existencia, a Aula Folque Infantil abre de novo matrícula para contribuír á formación musical de pequenas e pequenos de entre 5 e 12 anos en Pontevedra. O proxecto de aCentral Folque conta cunha equipa docente de relevantes profesionais da música á cal este ano se incorpora a cantane Mónica de Nut como mestra de canto.
O proxecto da Aula Folque Infantil (AFI) ten as súas trabes nas músicas de raíz, nomeadamente as do ámbito lusófono. Creada co apoio da concellaría de Cultura de Pontevedra leva xa dez anos impartindo aulas de formación musical para cativas e cativos de 5 a 12 anos a través dunha experiencia que busca que a cativada se achegue á música desde dunha maneira divertida e en grupo. Aulas de voz, danza, percusión e experimentación sonora, son as que compoñen o plan de estudos deste particular ciclo formativo que tenta percorrer o sonoro camiño que vai do folque tradicional ao jazz experimental. O cadro docente da AFI está formado por profesor@s que alén das aulas traballan sobre escenarios ou asinan discos en distintas formacións musicais. Ademais da nova incorporación de Mónica de Nut, Marcelo González en baile e percusión tradicional, Xurxo Troncoso para percusións do mundo e José Manuel Díaz nas aulas de sons. Xogo, participación e aprendizaxe nunhas aulas lúdicas para formar a novos folquis para o futuro.En paralelo ás aulas promoven o Laboratorio de Sons que ten como obxectivo a investigación sonora e escénica tirando tamén do ámbito lúdico como motor para aprender. Neste caso, o laboratorio está indicado para nen@s de 8 a 15 anos. As aulas da AFI son as sextas á tarde e o Laboratorio de Sons os sábados á mañá, sempre no Antigo Conservatorio de Pontevedra, na rúa Alfonso XIII. A AFI ten aberta a súa matrícula para o novo curso. Para máis información pódese cómpre consultar na súa páxina web.
PRAZA_18372
Négome a que a miña patria sexa unha silveira e que sexa o restroballo de Europa. Ergamos a bandeira da esperanza e poñámonos todos xuntos, os bos e xenerosos, a levantar este país. Hai unha "Vía Galega" para acadar a soberanía.
Adoito desprázome dende Euskal Herria, onde me aposentei como emigrante en 1973, ao meu pobo natal, Quiroga, nas beiras da Ribeira Sacra, no Sul de Lugo. Sempre vou ledo, con latexos devecidos por ollar e gozar da patria, que os emigrantes sublimamos como un edén afastado na distancia e próximo no corazón e na mente. A crúa realidade desa bisbarra, deixada da man de Deus e dos homes, sométenos a unha dura proba. Preguntamos por amigos e coñecidos. Algúns morreron e outros, máis novos, emigraron coma noutrora fixemos nós. Cada vez máis aldeas fican abandonadas ou están a piques de facelo. Os comentarios son desacougantes, pois amosan desencanto, desespero e resignación, con dúas frases que se repiten como un teimudo mantra:"Isto vaise ó carallo" e "Éche o que hai". Os poucos habitantes das aldeas semellan cervos feridos ollando nostálxicos un luar morriñento. O desmantelamento dos centros sanitarios comarcais semella evidente. Os parladoiros da radio galega son monocordes e monocromos. Os albares e colmeas son atacados por osos e velutinas, a avispiña xa chegou aos soutos, as viñas padeceron xeadas no 2017 e saraibadas e pragas de mildeu e blak rot no 2018. Menos mal que a couza non asoballou as patacas, polo de agora. Hai moito que mellorar no aproveitamento progresivo e integral dos recursos: viño, aceite, castañas, cogomelos, soutos, montes, gando. Agás na Seara, na Teixeira, en Visuña, e pouco máis, é difícil atopar buleiras de vacas nas aldeas. As sombrizas ourelas dos ríos sen limpar e as troitas sen ollar o sol. A riqueza monumental sen explotar, moitas en estado ruinoso como o fermoso mosteiro de San Paio de Abeleda e outras sen escavar: igrexas, mosteiros, xeoloxía, castros, minas romanas. As louseiras, a única industria case exclusivamente extractiva, aínda non se recuperaron da burbulla inmobiliaria. Por certo, da lousa poden derivarse industrias produtivas farmacéuticas, estéticas, culinarias, de paneis solares etc. O turismo medra progresivamente e non cabe negar que é importante acadar o recoñecemento do xeoparque Montañas do Courel e a declaración de patrimonio da Humanidade pola UNESCO para a Ribeira Sacra. Pero a economía non debe fundamentarse só no turismo, pois os entendidos avisan que é un sector económico aleatorio, veleidoso e estacional. So unha industrialización integral é capaz de xerar riqueza permanente e fixar a poboación no territorio. A alta produción de enerxía hidroeléctrica e e as perspectiva da eólica non crea abundantes postos estables de traballo, so ingresos para algúns particulares e para concellos que os poden xestionar de maneira opaca. Ademais, a meirande parte desa produción expórtase en condicións de intercambio colonial, de tal xeito que o recibo da luz é tan caro no lugar de orixe como no de consumo exterior. Se son sincero, debo confesar que atopei un sinal positivo, contrario ao que acontece en Galiza, en xeral. As institucións empregan o idioma galego nos documentos e carteis públicos e meirande parte da poboación aínda o fala, malia que sobrevive o costume por parte dos pais de falarlle ás crianzas na lingua cervantina, que máis ben semella o castrapo, que denunciaba Ánxel Fole, escritor tan apreciado por estas terras "bravas, con lus do candil e pautos co demo". Dicíame un amigo: "Cada vello que morre, un voto menos pró PP". Eu retruqueille: "Si, é certo, pero un galego falante menos prá Galiza". Un estudo longo, concienciudo e rigoroso de dous profesores da Universidade de Vigo, Alberte Xosé Pazo Labrador e Mª Pilar Moragón Arias encol da demografía galega, publicado este ano, utiliza o termo "Demotanasia", que pode aplicarse perfectamente a situación do Sul de Lugo, pois conflúen nela catro problemas interdependentes: emigración da xuventude, despoboamento do rural, envellecemento da poboación e maior cantidade de mortes ca de nacementos, unha verdadeira catástrofe demográfica de imprevisibles consecuencias. Un aprendeu na escola e na lectura dos vellos e sabios galeguistas, que moito e ben nos ensinaron, e ás veces lembra a D. Vicente Risco, cando afirmaba: "Galicia é un país que fai todo o posible por desaparecer e non o logra", afortunadamente engado eu, pois son moderadamente optimista de vontade, como era o grande amigo, Manuel María. Máis irónico amosábase Xaquín Marín nunha das súas maxistrais viñetas, inserida na VOZ o 20 de agosto deste ano, festa do San Xoan Degolado, nas Farrapas, Bendilló, Quiroga. O Isolino dicíalle a uns turistas:"Somos un país, que non quere ser país, e que é o único que pide desculpas por ser un país". Certamente falla dignidade e orgullo de seu e sobra resignación e complexo do colonizado, que tan ben describiron Frantz Fanon e sobre todo Albert Memmi no Retrato do colonizado. Cito a unha grande amiga, Pilar García Negrio:"Ler no alfabeto da Terra. Coñecela para amala e para defendela. Superar o auto-odio. Adquirir a autoestima colectiva que define os povos normais. Rachar de vez coa naturalidade da nosa "diferenza" negativa-inferior. Orgullarse -coñecéndoa- da nosa arte. Practicar a iconoclastia con tanto ídolo estranxeiro e mimético no canto de aplicala a nós proprios. Todo isto existe e caracteriza outras culturas, outras sociedades. Canto gañaríamos, pensei, galegas e galegos de hoxe, se désemos revirado a lousa da indiferenza (cando non da declarada minusvaloración) e nos dedicásemos a coñecérmonos un algo mellor, imprescindíbel paso para poder respeitar, amar e facer a propaganda debida de nós, para nativos e alleos" (Terra e Tempo, 17-9-2018) Estiven parolando de vagar con un labrego, carpinteiro, de vocación viñateira, amigo meu, novo, con sensibilidade nacionalista, que escasea na bisbarra, encol desta desfeita na zona. Eu animábao a non desesperar, pois a vida dun pobo é longa, mentres a das persoas é curta. Había que sementar e traballar arreo coa esperanza posta no rexurdir da patria. A súa resposta desencantada deixoume pensativo e foi a que me inspirou o título desta colaboración: "!A patria!, !ai, a patria!, !a patria é unha silveira!". O uso da verba silveira emprégase en Quiroga para sinalar unha leira, que foi traballada, pero ó abandonala, apodéranse dela as silvas sen remedio e fica improdutiva para sempre. Algún perspicaz lector probablemente me acuse de pesimista e negativista. Mais debo confesar que tamén albisco lenes sinais de esperanza: percíbese un notable dinamismo económico na zona costeira principalmente, aumentan en intensidade e calidade as reivindicacións femininas e sociais en xeral, algunhas forzas políticas expresan con claridade as eivas que aflixen o país, reclámanse medidas reais e atinadas contra as vagas incendiarias, claman os traballadores do ente contra a manipulación da RTVG, os doentes e a cidadanía non atura a privatización e desmantelamento do sector sanitario, hai un forte sentimento de compromiso nunha parte importante da xuventude, increméntanse as voces que esixen medidas urxentes e efectivas contra a inminente catástrofe demográfica, non se cala fronte ás agresións sexuais ou os ataques a lingua galega, ferve a conciencia nacional no Día da Patria e no Día de Galiza Mártir, esponxan o corazón actos de Vía Galega e de outras plataformas cívicas, as conversas coas persoas con conciencia, dignidade e orgullo de país xiran arredor da súa problemática e do imprescindible traballo comunal e solidario para levantar o país ao lugar que merece estar no concerto das nacións que enfeitizan o mundo que nos toca vivir e a necesidade de deixalo habitable ás vindeiras xeracións. É máis: atopamos paradigmas magníficos concretos de que o cambio é posible, modelo Allariz, ou está en vías de acontecer, caso da Pobra do Brollón. Négome a que a miña patria sexa unha silveira e que sexa o restroballo de Europa. Ergamos a bandeira da esperanza e poñámonos todos xuntos, os bos e xenerosos, a levantar este país. Hai unha "Vía Galega" para acadar a soberanía. Sumémonos aos desexos dos últimos cinco versos deste poema, froito dunha noite saudosa de verán a cargo deste humilde vate aficionado: "Galiza, sombra fuxidía, ves e vas no meu afán, unha veces con dozura, outras con fonda tristura. Renego da desventura e das feridas que che fan, pola noite coiteladas, polo día labazadas. Galiza, patria da silveira, arrólaste en pólas de oliveira, esqueces os fitos da túa xeira. !Esperta do sono desta volta! !Colle folgos pra carreira, e camiña en aturuxos de revolta!. !Deixa de asolagar solpores e abala bandeiras e albores!" Publicidade
NOS_34232
A Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) propón actuacións en política laboral, industrial ou fiscal para procurar "un desenvolvemento económico e social sustentábel" que supoña "aumento do emprego".
A creación de emprego é a principal demanda da sociedade galega, consciente de que cunha taxa de paro do 23% a porta que se abre, en palabras de Suso Seixo, secretario xeral da CIG, é a da "pobreza, a precariedade, a emigración...e a da febleza da propia clase obreira". E crear traballo é posíbel, sinalan desde a central nacionalista. Iso si, para crealo hai que abandonar "o paradigma económico neoliberal" e apostar pola economía produtiva. "Amplos sectores da nosa sociedade que demandan unha saída da crise favorábel á clase traballadora" Coa finalidade de abrir o debate e de procurar andar o camiño para ese outro modelo, a CIG presentou esta terza feira a Iniciativa lexislativa Popular (ILP) para a creación de emprego. "Nesta iniciativa recollemos propostas no eido industrial, financeiro, social, laboral..." sinalou Xesús Seixo, que entende que no Parlamento galego debe debaterse un tema tan importante. "É posíbel" "É posíbel facer políticas que xeren emprego", remarcou Seixo, que na presentación da ILP estivo acompañado por Fransco Miranda, secretario confederal de Comunicación,e o secretario confederal de Emprego, Miguel Malvido. "Moitas das propostas desta ILP poden ser adoptadas polo Parlamento e o goberno galego. Hai outras que dependen doutras instancias, como o executivo español, mais demandamos que se pidan as transferencias". O secretario xeral da CIG incidiu en que con esta ILP quere darse o debate "na sociedade, nas fábricas e centros de traballo" para atinxir apoios que permitan que chege o Parlamento. Na ILP afírmase a "necesidade de dar voz aos amplos sectores da nosa sociedade que demandan unha saída da crise favorábel á clase traballadora e feita desde unha perspectiva de defensa dos dereitos nacionais de Galiza".
PRAZA_7822
Se descartamos, como parece lóxico e aconsellable, o recurso ao uso da forza, a xestión deste novo episodio de tensión pasa pola recuperación do diálogo hexagonal -no que participan as dúas Coreas, Xapón, Rusia, China e EUA- na busca dun equilibrio que satisfaga as preocupacións das partes.
A terceira proba nuclear norcoreana levada a cabo este martes co argumento de "defender a seguridade e soberanía fronte ás políticas hostís de EUA", chega varias semanas despois de que o Consello de Seguridade da ONU aprobara unha resolución contra Pyongyang polo lanzamento dun foguete o pasado decembro. Nos últimos meses, os alardes de poderío militar téñense multiplicado en toda a zona con exercicios militares conxuntos de Washington con Seúl e Tokio, tamén de China A proba levada a cabo por Corea do Norte bota mais leña ao lume nun contexto rexional cada día mais turbado. Nos últimos meses, os alardes de poderío militar téñense multiplicado en toda a zona con exercicios militares conxuntos de Washington con Seúl e Tokio, tamén de China, nun ambiente marcado pola exacerbación das tensións entre China e Xapón pola disputa da soberanía sobre as illas Diaoyu/Senkaku. Pyongyang ven utilizando tradicionalmente o programa nuclear como un arma tan desafiante como imprudente fronte as resolucións da ONU. Non obstante, deberamos cifrar igualmente a atención na ausencia de políticas explícitas e perseverantes orientadas a crear medidas de confianza que poidan prever un deterioro da situación. Os riscos seguirán aumentando na medida en que non se aborden as causas fundamentais do contencioso. A xestión deste novo episodio de tensión pasa pola recuperación do diálogo hexagonal -no que participan as dúas Coreas, Xapón, Rusia, China e EUA Se descartamos, como parece lóxico e aconsellable, o recurso ao uso da forza, a xestión deste novo episodio de tensión pasa pola recuperación do diálogo hexagonal -no que participan as dúas Coreas, Xapón, Rusia, China e EUA- na busca dun equilibrio que satisfaga as preocupacións das partes. Con independencia da valoración que nos mereza a peculiar tiranía norcoreana, o incremento da tensión en Asia oriental só pode rebaixarse con xenerosas doses colectivas de cordura.
NOS_16679
Acúsana de participar no funeral duns mozos mortos polo exército turco, no Día da Muller e no 'Newroz', o Aninovo curdo.
A Fiscalía turca imputa Leyla Zana tres acusacións que suman 20 anos de prisión. Zana foi unha das 58 persoas eleitas como deputadas polo HDP, a esquerda pro-curda, nas últimas eleccións turcas. Porén, non puido tomar posesión da acta por xurar o cargo en curdo e se referir "aos pobos de Turquía" e non ao "pobo de Turquía". A acusación baséase na participación de Zana nun funeral duns mozos turcos asasinados polo exército turco e acusados de ser integrantes do PKK, na actividade de Leyla Zana no Congreso da Sociedade Democrática e a súa participación nas mobilizacións do Newroz, o Anivovo curdo. Leyla Zana é un símbolo no movemento curdo de Turquía. Nada en 1961, con apenas 30 anos foi eleita a primeira muller deputada da República de Turquía. Tres anos despois daquela elección, a Zana retirábaselle a inmunidade parlamentar por pronunciar parte dun discurso en curdo. Aliás, levaba as tres cores nacionais curdas (vermello, verde e amarelo), facendo así unha cominación prohibida en Turquía. E, por riba, o seu discurso falaba da necesidade de acadar a irmandade entre os pobos curdo e turco. Para Ankara non existe ningún pobo curdo pois en Turquía todo é pobo turco. Leyla Zana foi perseguida política e xudicialmente e acabou en prisión, onde permaneceu durante 10 anos.
NOS_19859
A localidade arousá de Vilaxoán será o epicentro dos festivais galegos na próxima fin de semana do 17, 18 e 19 de agosto
Un ano mais, a esplanada do porto pesqueiro de Vilaxoán acolle os concertos do Revenidas, que desta volta cumpre xa 15 anos marcando o compás da axenda festivaleira galega. Na vindeira sexta feira 17, Soziedad Alkoholika encabezará o cartel da primeira noite, após da cal virán actuacións como as de Tremenda Jauría –sábado 18– ou Russkaja –domingo 19–. O evento tamén contará con actividades de balde e zona para familias no parque de Dona Concha, anexo ao recinto de pago. Por outra banda, a praia do Preguntoiro será o escenario dub, que encherá de ambiente o areal durante os tres días. O tamén chamado Festival das Linguas continúa nesta nova edición coa súa filosofía de conciliar os concertos de pago –que estarán divididos entre os dous escenarios habilitados para tal fin– cun abano de actividades gratuítas dirixidas a un público máis amplo. Deste xeito, o Revenidas contará cun área de food trucks, unha feira de artesanía, xogos populares e unha sardiñada popular –o sábado 18– na que tocarán Os Terribles de Arousa, Olodum do Coio, Coro Encaixe e Galifunk Brass Band. Ademais, as persoas máis miúdas poderán asistir á Gran Gala de Circo Flores contra el Olvido, unha obra do colectivo de clowns Pallasos en Rebeldía. Alén disto, este ano o festival continuará coa iniciativa de Concertos A Bordo, unha oferta dirixida a un público reducido –no pasado verán, o límite de aforo era de 10 persoas– onde se poderá gozar de concertos a bordo do Chasula, unha embarcación tradicional galega que navegará durante a tarde do sábado e do domingo pola Ría de Arousa. Alén de música ao vivo, as persoas asistentes a esta selecta viaxe poderán tamén gozar dunha degustación gastronómica de produtos galegos. Tres días de festa a carón do mar Con todo, o prato forte do Revenidas recaerá nas actuacións musicais. O Festival das Linguas comezará na sexta feira 17 coa actuación de Soziedad Alkoholika, os rapeiros xemelgos granadinos Ayax y Prok, a banda de celtic punk The Real McKenzies, os coruñeses Ezetaerre, Joan Garriga & Galactic Mariatxis, a banda de ska Balkan Bomba, os vigueses Keltoi! e Maria Türme DJ. O sábado, punto central da festa, o festival será coroado co concerto de Tremenda Jauria, que traerán ritmos de cumbia-punk e reggaeton combativo desde Madrid. Canda elas soarán fortes as galegas Cuarta Xusta, o reggae de NH3, o hip hop de Glaukoma e mailo hard rock de Steve N' Seagulls. Isaac Peces DJ será o encargado de clausurar cunha sesión unha noite na que tamén actuará o ex integrante de Barricada, El Drogas. Por último, o domingo 19, o Revenidas despedirá a edición acompañado de Russkaja, Dakidarría, Banda Xangai, Zoo, Xavi Sarrià i el Cor de la Fera, el Diluvi, Auxili e The Dawlins. En horario de 12 a 18 horas, o Dub na Praia pechará tamén o seu escenario coa música de High Paw & Elephants Yard e King Sativa Sound, quen tamén actuará nos días previos canda Krak in Dub –o sábado 18 de 12 a 15 horas e de 16 a 22 horas– e George Palmer e North Patrol Sound System –a sexta feira 17, desde as 17 ás 22 horas–. Aquelas interesadas en acudir a Vilaxoán nesa fin de semana poden xa adquirir o seu abono para o festival a través da páxina web –www.revenidas.com–. A entrada para os tres días ascende a 35 euros, mentres que a pulseira para un día solto custa 20 euros. A organización do Revenidas tamén habilitará nestas últimas semanas previas ao evento varios puntos de venda físicos onde poder adquirir as entradas. Ademais, o festival ofrece zonas de camping de balde, para as que haberá que reservar praza a través dun formulario disponíbel no mesmo sitio web.
NOS_41132
Son aínda 17.000 os fogares galegos que se atopan sen subministración eléctrica a causa do temporal 'Fabien', que afectou a toda Galiza con refachos de vento de máis de 180 quilómetros e que deixa 1.430 incidencias rexistradas entre o sábado e a madrugada deste domingo.hegaron a ser 60.000.
Os efectos de 'Fabien' comezaron a remitir á primeira hora da mañá deste domingo, no que o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galiza contabilizou un total de 1.430 incidencias. A caída de árbores e ramas nas vías de circulación (808), as accións de prevención de riscos (239), liñas de luz e teléfono nas estradas (77) e postes caídos nas calzadas (59) foron as que máis se repetiron. Tres persoas morreron este domingo na súa vivenda da parroquia de Fisteus, en Curtis por inhalación de monóxido de carbono procedente dun xerador de corrente. Os mortos son un matrimonio de octoxenarios, que foron localizados falecidos na súa cama; e o fillo de ambos, de 52, que se atopaba nun garaxe no que estaba a funcionar un xerador de corrente a combustíbel, que se baralla como posible causa da intoxicación. Fontes da investigación apuntan a que a vivenda podería ter sufrido un corte de electricidade polo temporal, o que motivaría que empregasen o xerador. Os ventos, que superaron os 140 quilómetros por hora en numerosas localidades e que chegaron até os 183 en Viveiro, aos 176 na cabeza de Manzaneda e aos 166 quilómetros por hora en punta Candieira, en Cedeira. As zonas de montaña do interior foron as máis afectadas polos cortes de luz nas vivendas, provocados por máis dun centenar de incidencias no tendido eléctrico. En canto aos concellos afectados polo paso de 'Fabien', destaca o da Coruña. Computou 48 incidencias, que alcanzan as 150 se se suman as que atenderon os servizos municipais. Tamén se rexistraron varios problemas en Santiago de Compostela e Oleiros, onde se atenderon 31 incidencias en cada caso, e en Carballo, que sumou 29. A Estrada alcanzou as 37 incidencias atendidas, Lalín as 34, Pontevedra sumou 19 e Ponteareas 18. No concello de Lugo contabilizáronse 23, mentres que en Viveiro houbo 19, en Chantada 18 e en Vilalba 13. O Carballiño sumou 10 incidencias, Celanova 9 e Ribadavia 7. Entre as incidencias máis destacadas, a pasada noite, un tren que cubría a liña entre Vigo e Barcelona chocou contra unha árbore caída nas vías en Ribadavia, aínda que non se rexistraron danos persoais. Debido ao impacto, que tivo lugar ao fío das 22.15 horas, o tren resultou avariado e foi necesario que unha máquina de socorro remolcase o convoi até a estación de Ourense coa pasaxe a bordo. Finalmente, segundo informou Adif ao 112, as persoas ocupantes terminaron o traxecto en autobús. Ademais, unha persoa necesitou asistencia onte á tarde despois de caerlle enriba do coche no que circulaba unha árbore en Cortegada. En Cambre caeron varias partes do tellado dun edificio de catro alturas na praza da Ría, que golpearon e romperon a canalización do gas. Desde o 112 mobilizouse á Policía Local, aos Bombeiros de Arteixo, á empresa subministradora de gas e ao Servizo Municipal de Protección Civil. En Carballo, no colexio Fogar, na rúa Vila de Noia, levantouse o tellado do centro e, en Ortigueira, perdeu as súas cubertas a piscina municipal, mentres que en Cerdido unha muller resultou ferida ao chocar o vehículo no que circulaba contra unha árbore caída na vía. Ocorreu na AC-102, á altura do Carballeiro. Ademais, unha árbore esnaquizou tamén varias tellas do muíño de Cabanas, que fora restaurado en 2011 polas asociacións Heroes do Campo da Porta de Salcedo e Vaipolorío. Por último, no termo municipal do Bolo caeu pé dunha ponte, que se afundiu, no lugar da Barxa, onde pasa o río Xares, en Petín. Trátase dunha vía secundaria que une as aldeas da Barxa co Seixo e hai outras vías alternativas, polo que os pobos non quedaron incomunicados. Galiza vai recuperando a normalidade após o temporal Á primeira hora desta mañá os efectos do temporal comezaron a remitir. Con todo, rexistráronse algunhas incidencias a pesar de que os fortes ventos perderon intensidade. Varios voos sufriron desde a mañá atrasos de entre 45 minutos e máis de dúas horas en Alvedro (A Coruña), Lavacolla (Santiago de Compostela) e Peinador (Vigo). A situación, tanto na rede viaria como no transporte ferroviario, é de normalidade, após as múltiples incidencias do sábado, a maioría relacionadas con caídas de árbores e outros obxectos. No entanto, seguen aparecendo incidencias de pouca importancia nalgunhas estradas secundaria. A máis importante produciuse no municipio de Baralla, no tramo de estrada que une a saída 469 da A-6 coa N-VI, unde a caída unha árbore obrigou a cortar o tráfico.
NOS_17667
Stop Eólicos pedirá á Reserva da Biosfera e ao Parque Natural que se pronuncien sobre a liña de alta tensión do Xurés asociada a dúas explotacións eólicas pendentes de tramitación. Ademais, fai súas as alegacións presentadas pola asociación Petón do Lobo contra o proxecto e afirma que achegará as súas propias.
A plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova súmase ás alegacións ecoloxistas contra a liña de alta tensión no Xurés para dar servizo a dous futuros polígonos eólicos, e demandará do Comité Científico da Reserva da Biosfera Gerês-Xurés mais á Xunta Reitora do Parque Natural do Xurés e o seu Comité Científico que informen sobre a compatibilidade da LAT e da "ameaza eólica" que representan as explotacións asociadas cos valores que protexen a reserva e o parque. Esta iniciativa súmase aos argumentos presentados hai unha semana pola asociación Petón do Lobo contra o proxecto que busca unir Baltar e subestación de Salas. Alegacións Entre outras alegacións, advirtes da necesidade de "someter a consulta pública para a avaliación ambiental conxunta e global a totalidade das infraestruturas deste complexo industrial eólico" co fin de non privar a cidadanía da súa participación pública na avaliación ambiental necesaria. Doutra banda, censura que non se contemple o soterramento das liña en contra das Directrices da Paisaxe de 2020 e advirte, como tamén sinalou Stop Eólicos Xurés-Celanova, da grave afección, "irreversíbel", á Reserva Transfronteiriza Gerês-Xurés mais de prexuízos noutros espazos protexidos como o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, catalogado en puntos afectados polo proxecto como Zona de Especial Conservación, Zona de Especial Protección da Avifauna e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais; ou a área da Rede Natura implantada en 2004 que inclúe os concellos de Quintela de Leirado, Verea, Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e Calvos de Randín. Zonas húmidas e paisaxes arruinadas O proxecto, din, ameaza a calidade das brañas, da vexetación de ribeira e das augas dos ríos Calvos e Salas, pero tamén das bacías hidrolóxicas de Faramontaos e Porqueirós. Pon en perigo a supervivencia de aves como a aguia real, a perdigueira ou o bufo real. Mais tamén compromete a paisaxe, zonas de especial interese como os Penedos da Raíña Loba, a Serra da Pena-O Couto Mixto, a Fraga da Rousia e as Penas da Serra do Larouco. A LAT do Xurés e os futuros parques eólicos de Tramontana e Mistral virían sumar muíños e prexuízos aos que xa se observan no horizonte do Larouco, cunha explotación propiedade de Iberdrola, con 49 aeroxeradores, e de Cabeço Alto, en Portugal, con nove muíños. Petón do Lobo alerta de cambios de uso do monte en contra da normativa e da eliminación da multifuncionalidade destes terreos, aptos para o "aproveitamento forestal, madeireiro e agrogandeiro "contra o benestar dos núcleos de poboación afectados". Valores culturais, paisaxísticos e ambientais Así, Stop Eólico Xurés-Celanova súmase á demanda contida nas alegacións de Petón do Lobo para que o Consello da Cultura Galega "informe sobre da compatibilidade deste proxecto e dos parques eólicos Mistral e Tramontana cos valores culturais, paisaxísticos e ambientais da área de afección do parque eólico", para que a Dirección Xeral de Defensa do Monte informe "sobre a prevalencia do uso forestal sobre o proxecto LAT ata subestación de Salas", e para que o Comité Científico da Reserva da Biosfera e a Xunta Reitora do Parque Natural do Xurés e o Comité Científico informen sobre a compatibilidade e prevalencia dos usos do proxecto de liña de alta tensión e os parques asociados cos valores propios da área afectada.
PRAZA_16764
GALERÍA | Sindicatos e partidos da oposición piden a dimisión do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, cuxa "prepotencia" consideran responsable do enquistamento do conflito O persoal da Xustiza recrúa a súa folga mentres xuíces e fiscais ultiman mobilizacións de seu
O persoal da Xustiza recrúa a súa folga mentres xuíces e fiscais ultiman mobilizacións de seu Dous meses despois de que o pasado 7 de febreiro iniciase a súa folga en reclamación de maior salario e mellores condicións laborais, o persoal da administración de Xustiza en Galicia volveu saír este sábado ás rúas de Santiago nunha manifestación secundada por todos os sindicatos e que contou co apoio dos partidos da oposición. Unha manifestación que se celebrou sen que haxa previstas novas reunións coa Xunta para desbloquear o conflito, despois de milleiros de xuízos e trámites suspendidos, de que os traballadores perdesen xa máis de dous millóns de euros en salarios e ao tempo que xuíces e fiscais comezan a preparar as súas propias mobilizacións. Sindicatos e partidos da oposición piden a dimisión do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, cuxa "prepotencia" consideran responsable do enquistamento do conflito Este sábado os sindicatos e os partidos da oposición coincidiron en reclamar a dimisión ou o cesamento do vicepresidente e responsable de Xustiza da Xunta, Alfonso Rueda, a cuxa "prepotencia" atribúen o enquistamento das negociacións. Segundo os representantes do comité de folga, o Goberno galego está a centrarse en tentar desprestixiar a mobilización, o que din que lles dá máis ánimos para continuar cunha folga cuxo seguimento seguen a cifrar no 80%. Actualmente, tras sucesivas melloras das súas ofertas malia reiterar en todas as ocasións que non se movería delas, o Goberno galego volve asegurar que non vai variar a súa actual proposta dun incremento de entre 135 e 105 euros ao mes para cada traballador en función da súa categoría. Pola contra, os sindicatos, que comezaron reclamando unha suba de 225 euros rebaixada actualmente a 180, piden unha cláusula que garanta que o persoal galego non volverá quedar á cola do Estado se noutras comunidades se melloran no futuro as condicións laborais. "Feijóo e Rueda presumen da creación de máis xulgados e só trasladan prazas dun lado para outro", din os sindicatos Este sábado os sindicatos tamén criticaron que a Xunta tenta transmitir unha imaxe de incremento dos recursos da administración de Xustiza que non se corresponde coa realidade. "Feijóo e Rueda presumen da creación de máis xulgados e só trasladan prazas dun lado para outro", din. Desde os partidos da oposición, o portavoz de En Marea, o xuíz en excedencia Luís Villares, criticou o "incumprimento do Goberno galego do mandato parlamentario" aprobado pola Cámara autonómica que defende unha mellora das condicións laborais dos traballadores. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, lamentou o "desprezo" do Goberno galego aos sindicatos e traballadores e pediu ao presidente Feijóo que "en vez de viaxar a Sevilla [ao acto que alí celebra o PP estatal este sábado] para darlle unha aperta a Cifuentes" se involucre e substitúa o seu "vicepresidente incompetente". Pola súa banda, a portavoz do BNG, Ana Pontón, lamentou que a cidadanía estea a pagar a "chulería e prepotencia" do Goberno galego e asegurou que a solución do conflito "non é un problema económico" porque ao seu ver "a Xunta ten recursos". Rueda dimite, a túa proposta non se admite. pic.twitter.com/zYbMFbHioA — EnMarea (@En_Marea) 7 de abril de 2018 A choiva deste sábado en Santiago non impediu que, como ocorreu na manifestación do sábado 24 de febreiro, cando a folga levaba activa pouco máis de dúas semanas, a protesta volvese ter unha elevada asistencia, coa participación nela de numerosos familiares e simpatizantes dun colectivo que non chega aos 3.000 traballadores. Os sindicatos organizaron autobuses que se desprazaron a Santiago desde o resto de Galicia. Esta protesta do persoal administrativo da Xustiza galega ameaza con estenderse despois de que o pasado xoves as catro asociacións de maxistrados e as tres de fiscais celebrasen concentracións nas sedes xudiciais de toda España, tamén en Galicia, e advertisen dun calendario de mobilizacións que remataría igualmente cunha folga a partir do 22 de maio. Tamén eles reclaman unha mellora das condicións profesionais e máis independencia da Xustiza.
NOS_57674
Dous discos galegos e en lingua galega figuran na listaxe das mellores 50 gravacións estatais da década que agora remata. Trátase de Agricultura livre (2015), do ourensán Emilio José, no posto 32; e mais de Os corenta e oito nomes do inimigo (2016), unha das partes do díptico de Malandrómeda, dúo hip hop compostelán, no 37. O ránking vén de publicalo no seu número de novembro unha das publicacións de maior prestixio e veteranía da prensa musical pop do Estado, a catalá Rockdelux. O número especial da revista, de periodicidade mensual, conmemora 35 anos nos quioscos.
Sobre o traballo de Emilio José, un inesgotábel triplo CD, escribe o crítico galego Marcos Gendre: "Catro horas de macedonia musical ao cubo onde, baixo un fío subxacente xeral de saudade galaica, xorden pertinentes faíscas de hip hop, jazz, samba, grime atlántico, bossa nova, funk, sunshine pop, cumbia ou ambient [...] enfant terríbel do pop peninsular". De valorar o traballo de Malandrómeda encárgase José Manuel Caturla: "[Mestres] do recitado agonístico, persuasivo, socarrón, tribal. Artífices dun traballo que aínda hipnotiza coa súa variedade de ritmos, texturas electrónicas e melodías radiais que te arrastran a un mundo máxico, crítico e vangardista". Na listaxe comparece outra banda galega, Triángulo de Amor Bizarro, de Boiro, que cantan en castelán e facturan electricdade noise pop. Fano no número 30 co seu disco Año Santo (2010). Rockdelux sinala ademais artistas en catalán como Antónia Font, Manel, Maria Arnal I Marcel Bagés, Sisa ou Xavier Baró; e en euskera Anari e Lisabö. Segundo a publicación con sede en Barcelona, o mellor disco estatal da década 2010-2019 é El mal querer (2018), de Rosalía. O internacional, My Beautiful Dark Twisted Fantasy (2010), de Kanye West. Nota: cuberta de Agricultura livre (2015), disco triplo de Emilio José.
PRAZA_10651
En realidade é como afiliarse a un sindicato; defende e asesora mellor sobre o propio traballo unha organización dos propios traballadores, fundada con ese obxectivo, especializada niso. Para o consumo nada mellor que unha entidade de consumidores, e que esa unión acade forza abonda para presionar ante os abusos das grandes empresas e marcas.
Asocieime á Organización de Consumidores e Usuarios hai quince anos, cando me fallou o frigorífico de marca branca que comercializa un distribuidor de prestixio. Acababa de expirar a garantía. Algo antes acontecérame practicamente o mesmo cunha lavadora. Os dous co timo da obsolescencia programada.Desde que entrei na idade adulta, case na prehistoria, non miro nin leo publicidade, tanto que até dubido da súa influenza inconsciente. A contrapartida é empanarse pouco das novidades, mais a avantaxe consiste en aforrar o engano intrínseco da mensaxe, a súa probábel estulticia e sobre todo a melopea mental vitalicia, dixerindo sen cesar o fluxo ininterrompido de bobice.Antes da miña conversión tamén lles facía caso aos vendedores dos comercios, como se fosen informantes, como se non representasen o papel que lles asigna o seu oficio, concibido para seducir o cliente. O seu traballo busca aumentar o beneficio empresarial, pasando por alto os defectos e as características negativas do produto. O cliente non sabe abondo deses obxectos porque non se dedica a iso, e ademais é imposíbel navegar con éxito en semellante océano, agás que se lle teña afección a eses trebellos, como se lle ten á natación ou ao lanzamento de bolos.É de boa calidade? Son seguras? Eis as preguntas culminantes nun grande almacén, ou nun banco cando se pensa en mercar unhas boas preferentes.Sinceramente, nada máis descansado que prescindir desa sabedoría, para alén de comprobar coidadosamente o que se necesita. En realidade é como afiliarse a un sindicato; defende e asesora mellor sobre o propio traballo unha organización dos propios traballadores, fundada con ese obxectivo, especializada niso. Para o consumo nada mellor que unha entidade de consumidores, e que esa unión acade forza abonda para presionar ante os abusos das grandes empresas e marcas.Non se trata de ser pasmón, claro que non. Eses grupos empresariais seguramente cheguen até as entidades de consumidores, como tamén chegan sen dúbida até os sindicatos, partidos ou calquera outra estrutura autoorganizada. Na OCU hai ademais unha ansia excesiva por optimizar recursos, como se realmente fose unha empresa, mais a organización existe, o seu socio é esixente, observa e vixía.Estes días apareceu un artigo de Xosé María Torres en La Voz de Galicia "A OCU e a síndrome de Robin Hood", sobre unha análise das cremas corporais, ao parecer absolutamente equivocada. Pode ser, non entendo nin unha palabra diso e seguro que si.O autor deduce que non pode haber boas cremas a prezos baixos, como indica a OCU. Esa non é a miña experiencia noutros produtos. Hai un par de anos recomendaban un cava que custaba tres euros no supermercado e valorábano entre os de moi boa calidade, dos mellores dese ano. E así parecía, dito sen saber moito diso tampouco, pero algo máis que de cremas si. E aínda me andan por aquí polo teléfono as fotos dun René Barbier branco a catro euros en 2016, que tampouco tiña dúbida ningunha.Pero sobre todo, nunca nestes tres lustros me fallou en nada ningún chisme recomendado por eles, para a miña casa e para varias máis. Os excelentes rendementos correspóndense co valorado. E efectivamente, non acostuma a haber correspondencia entre os prezos de mercado e o valor, ás veces en absoluto. Os modelos máis caros aparecen con frecuencia polo medio da clasificación (valoran modelos ou gamas, non marcas). E todo coa comodidade de non mirar nada, só escribindo no buscador as características do que se precisa.Torres remarcaba no seu artigo que a OCU se comporta como Robin Hood, como se lle dese aos pobres o que lles quita aos ricos. Eu non vexo nada máis que unha poderosa asociación que pode equivocarse ou verse influenciada, sen dúbida, pero que en xeral recomenda ben e defende ben. Está ademais moi perfeccionada tecnicamente. A comparación con Robin Hood é inxusta, pois pódeselle aplicar a calquera entidade ou persoa que busque o ben, por non precisar mellor con outros termos. Entón Mandela sería un aprendiz de profeta cheo de soberbia, o ex presidente de Portugal Ramalho Eanes un San Francisco por renunciar a un millón de euros que lle correspondían de atrasos e o doutor Fleming un ridículo emulador de Xesucristo que quería salvar a humanidade.
NOS_8885
As lindes entre ficción e documental son tenues. O cinema contemporáneo esfórzase, hai tempo, en escapar dese binarismo. E o Novo Cinema Galego, a xeración de cineastas que colocou Galiza no mapa de festivais e críticos de todo o mundo, é consciente do movemento de marcos estéticos. Non obstante, entre os numerosos proxectos en marcha, filmes que se verán o ano que vén ou en 2019, abunda o cinema dramatizado, con actores. A ficción.
"Ate agora, o cinema galego sobresaíu na non ficción. Mais nestes intres hai varias propostas de ficción que darán que falar", considera Alfonso Zarauza (Santiago de Compostela, 1971). El mesmo, canda Ángel Santos, foi un dos primeiros autores en, como expón, "intentar unha nova ficción, menos acartonada". Con Encallados (2013) e Os fenómenos (2014), obras narrativas e, sobre todo a segunda, de fasquía industrial, Zarauza chegou ás pantallas comerciais. Na actualidade ultima a rodaxe de Ons. Na primavera, trasladará o equipo á illa atlántica, logo de adiar os traballos por problemas co financiamento estatal. Coescrita coa súa habitual colaboradora Jaione Camborda Coll, Ons relatará a chegada ao lugar dunha serie de personaxes que se mesturan cos poboadores. "É un filme de corte autoral, pero cunha atmosfera de misterio", di. Se Os fenómenos se detiña na devastación social producida pola crise, Ons distánciase do rexistro crítico. Ricardo de Berreiro, María Vázquez ou Melania Cruz son algúns dos intérpretes. Oliver Laxe (París, 1982), talvez o cineasta galego de maior repercusión internacional, iniciou este verán o seu novo proxecto. Logo das aclamadas Todos vós sodes capitáns (2010) e Mimosas (2016), que obtiveron importante recoñecemento en Cannes, centra a súa ollada, sempre cun aquel poético e lateral aos usos dominantes, nos incendios forestais. Válese de actores non profesionais. Outra voz audíbel, a de Lois Patiño (Vigo, 1983), autor da premiada -e discutida nalgúns sectores- Costa da Morte (2013), colección de estampas documentais e encadres pictóricos, remata Tempo vertical. A fronteira entre o real e o ficcionado queda atrás. "Máis ca unha trama narrativa, interésame a interacción entre as persoas, as conscuencias das súas accións. É un filme coral". Xacio Baño (Xove, 1983) explica Trote, a fita que está a piques de concluír e que define como "de animais que xogan a ser humanos". María Vázquez é, se cadra, a máis protagonista das personaxes, que corren a cargo de, entre outras, Tamara Canosa, Celso Bugallo ou Melania Curz. Rodouse o pasado verán en localizacións de Negreira, Ames e Amil (Moraña). "Agora estamos coas últimas decisións de montaxe, que normalmente son as máis difíciles. Falta o son e, a partir do ano que vén, comezaremos a probar festivais", expón. A orixe de Trote atópase na rapa das bestas de Amil. Unha familia rural sacudida pola morte da nai é o corazón do filme. "Quería ver as maneiras en que batemos co outro, ou como o acariñamos", sintetiza o autor. Cinema de personaxes, cinema de cámara, é a primeira incursión de Baño na longametraxe. "Hai unha xeración de cineastas", opina en relación ao denominado Novo Cinema Galego, "que xa amosou o seu talento nos documentais. Agora accede a outro espazo, a máis recursos, porque hai produtores que xa confían neles". Alén de decisións estéticas, esa é tamén a chave para Alberte Pagán (O Carballiño, 1965). "Percevo umha 'industrializaçom' do novo cinema galego", responde vía correo electrónico, "com proxectos apoiados por produtoras independentes, cumha equipa de rodage, umha preproduçom e umha posproduçom ao estilo industrial. É algo novo e mui necessário: un cinema 'de autor', narrativo, 'de festivais". Segundo Pagán, antes eran os cineastas os que se achegaban á industria e renunciaban ás súas apostas artísticas, de as haber. Agora acontece ao revés: "É a indústria, a produçom independente, quem se achega a estes cineastas respeitando as suas propostas artísticas. Um cámbio mui positivo". Non será o seu caso. Responsábel da obra máis radical do cinema, novo e non, galego, facturada totalmente á marxe, e apenas adscribíbel a máis categoría que á laxa de "experimental", o do Carballiño continúa polas zonas menos transitadas da imaxe. O festival Cineuropa de Santiago de Compostela, o vindeiro novembro, dedicará unha sesión ás súas investigacións. Témenos trata a peregrinación do propio Pagán a Grecia para se achegar á singular obra cinematográfica de Gregory Markopoulos. En Noite de Rodos, explora "a materialidade do cinema dixital". As outras seis pezas que estreará -Nyangshwe, Pagán, Gongorin bombani hural, Al, La Tierra Santa e Berbera- encádranse na serie Superfícies. "Projecto images sobre diferentes superfícies e logo as refilmo", explica, "ás vezes image e superfície vam parellhas, noutras busco a contradiçom e a incongruência". Entre as produtoras independentes referidas por Alberte Pagán, das máis activas é Beli Martínez. Baixo o seu amparo gravará nos vindeiros meses Eloy Enciso, o creador de Arraianos (2012), as súas "escenas de posguerra". Longa noite parte da Guerra Civil. "Pero podería ser calquera outro sitio", sinala Martínez sobre un filme puntuado con textos literarios. A ficción permite a deshistorización do relato. "Limpámola ao punto de que non hai unha identificación clara". Algo semellante acontece co outro proxecto en que traballa Martínez: Eles transportan a morte. Obra de Helena Girón (Santiago de Compostela, 1988) e o canario Samuel Delgado, Eles transportan a morte especula co que sucedería se "a Santa María naufragase e tres mariñeiros sobrevivisen nunha illa". Bruxería e mitoloxía serán dous dos ingredientes cos que tratarán os cineastas. Que rodarán en galego. "Levamos o filme ao foro de coprodución do Festival de Donostia e sorprendeunos moito a pouca receptividade respecto da lingua galega", lamenta Beli Martínez. A estación violenta, de Anxos Fazáns a partir da única novela de Manuel Jabois, Porto Desexado de Diana Toucedo, Os fillos da vide de Ana Domínguez ou Hamada de Eloy Domínguez Serén, son outros filmes practicamente rematados que, a dicir de Beli Martínez, marcarán os vindeiros tempos do cinema galego. E que ratifican a súa viraxe cara á ficción "pura e dura". "O que importa é dar impulso á necesidade de contar e gravar", conclúe Xacio Baño, "andar, facer o camiño, e non agardar a que veñan os anxos axudarche".
NOS_9929
O traballo fíxose con entrevistas subtituladas ao alemán nas que o adestrador do Bayer fala sobre Catalunya, o idioma ou o dereito a decidir. Podes ver o vídeo no interior
Cando se anunciou a sinatura de Pep Guardiola como novo adestrador do Bayer de Múnich, polas redes sociais axiña saíron ideas e propostas para facer del un bo embaixador do proceso de independencia de Cataluña. Guardiola, como relata Vilaweb, nunca ocultou o seu compromiso nacional e os seus desexos e aspiracións dunha Cataluña 'plena'. Así, na manifestación histórica do 11 de setembro do ano pasado, o ex-adestrador do Barça enviou unha mensaxe de vídeo gravada en Nova York, e na que expresaba o apoio ao movemento de autodeterminación. Eureka! Esta situación foi aproveitada por un internauta, conta Vilaweb, que fixo un vídeo con fragmentos de entrevistas e conferencias de prensa de Guardiola sobre Catalunya, o catalán e o seu compromiso coa autodeterminación do seu país. O vídeo ten subtítulos en alemán e explica a situación actual de Cataluña e as e os cataláns por ser donos do seu propio futuro.
PRAZA_9814
Milagros Otero ten cinco días para aclarar por escrito a situación creada tras o envío das súas dúas cartas de renuncia; En Marea, PSdeG e BNG avanzan que tentarán forzar un pleno extraordinario para destituíla a vindeira semana, pero a decisión depende en última instancia do PP
A renuncia de Milagros Otero como Valedora do Pobo non foi legalmente tal, pero contribuíu a bloquear a institución. É a conclusión que cabe tirar do informe elaborado polos servizos xurídicos do Parlamento a instancias do seu presidente, Miguel Santalices. O xefe do lexislativo reclamou ese asesoramento aos letrados despois de que Otero presentase a pasada semana dúas cartas de "renuncia" en menos de vinte e catro horas nas que, en rigor, non dimitiu.Ambas misivas foron remitidas tras rexeitar o Tribunal Supremo o recurso de Otero contra a sentenza na que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia apreciou "desvío de poder" e "arbitrariedade" no nomeamento "á medida" dunha xefa de servizo na institución. O posto fora outorgado a María Puy, sobriña do falecido presidente Fraga, irmá do voceiro parlamentario do PPdeG e filla do catedrático Francisco Puy, de quen Otero foi discípula. Unha apelaba a unha vía máis rápida que a outra para a remuda, pero ningunha cumpre os "requisitos" para activala.O informe emitido polos letrados do Parlamento conclúe que a renuncia escenificada por Otero nas súas cartas realmente non foi tal e, daquela, "non se produce a vacante" formalmente necesaria para substituílaSegundo o informe dos servizos xurídicos, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, a segunda carta da Valedora -a primeira, segundo Otero, contiña un "erro formal" ao apelar o artigo que regula a renuncia en caso de "delito"- "non cumpre os requisitos" que, atendendo á xurisprudencia do Tribunal Consitucional, "deben darse para que a declaración de vontade que constitúa a renuncia produza os seus efectos". Otero di que marchará cando haxa acordo para a súa remuda, pero non marcha decontado.Deste xeito, interpretan os letrados, "non se produce a vacante" formalmente e, daquela, non é posible que Santalices a declare. Este é un requisito imprescindible para poñer en marcha un novo nomeamento, segundo a lei do Valedor.Petición de explicacións por escritoA Valedora ten cinco días para aclarar a situación por escrito; En Marea, PSdeG e BNG avanzan que tentarán forzar un pleno extraordinario para destituíla a vindeira semana, pero a decisión depende en última instancia do PPFoi o propio presidente da Cámara quen expuxo este martes aos grupos o contido do informe xurídico sobre as cartas da Valedora. Fíxoo na Xunta de Portavoces extraordinaria convocada a instancias de PSdeG e En Marea para coñecer o sucedido. Pero, ao tempo, En Marea e BNG reclamaron activar xa o procedemento de remuda por "incumprimento das obrigas e deberes do cargo". Esta vía acaba nunha votación como a xa celebrada en xullo de 2018 pero require audiencia previa da afectada, trámite que o presidente resolveu substanciar pedindo explicacións por escrito a Otero nun prazo de cinco días.Tanto En Marea como BNG tentaron, sen éxito, acelerar os tempos introducindo esta votación no pleno que comezou no Pazo do Hórreo este mesmo mércores. Pero Santalices advertiu de que non era posible facelo porque "non estaríamos cumprindo co trámite regulamentario". En calquera caso, para introducir un asunto non previsto na orde do día cómpre o apoio da maioría absoluta e o PP xa advertira, a través de Paula Prado, que non estaba disposto.Neste escenario, o seguinte paso é agardar a que transcorran os cinco días de audiencia. Os tres grupos da oposición xa advertiron da súa vontade de solicitar un pleno extraordinario inmediatamente despois para que xa a vindeira semana sexa posible votar a destitución. A anterior vez que isto aconteceu, no verán de 2018, o PP salvou a Otero argumentando que a sentenza non era firme, pero agora xa o é. Milagros Otero segue, en calquera caso, sendo a Valedora do Pobo a todos os efectos.