ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_42206 | Baixo o lema 'Coa nosa saúde non se xoga', a veciñanza de Moaña e Cangas volveu saír á rúa para exixir "a restitución da atención médica para todas e o reforzo do persoal sanitario da Atención Primaria". | A veciñanza de Moaña suma máis de 25 domingos consecutivos de mobilización diante da Casa do Mar da localidade. E mentres o Goberno galego non atenda as súas demandas, seguirá a concentrarse ao final de cada semana. Así o expresou este domingo, 5 de xuño, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, encargada de ler o manifesto que clausurou unha marcha que arrancou da Casa do Concello e finalizou no centro de saúde, na que participaron centos de persoas da comarca. 5.000 persoas toman as rúas de Moaña en defensa da sanidade pública A Mesa Local da Sanidade de Moaña reclama á Consellaría de Sanidade que cubra as vacantes do persoal médico de tarde, que reabra as urxencias e reforce o servizo de ambulancias do Morrazo. As reivindicacións da cidadanía de Moaña foron secundadas polo Concello e a veciñanza de Cangas, que se sumaron á protesta. Política de recortes Censuraron as políticas de recortes da Xunta e as consecuencias da perda paulatina de orzamentos, profesionais, camas hospitalarias e servizos esenciais externalizados á sanidade privada; entre outros "listas de agarda disparadas, colapso das urxencias e desatención da saúde mental e das mulleres". Con todo, subliñaron, a que con "máis intensidade sufriu os recortes foi a Atención Primaria", con "consultas masificadas, redución de profesionais, sen substitucións, feche de axendas e PAC ao límite". Exiximos a restitución inmediata das urxencias na Casa do Mar de Moaña e da atención médica para toda a veciñanza A pandemia agravou a situación, denunciaron e converteuse na "coartada perfecta" para facer de "definitivas" medidas que se anunciaron como "provisionais". Mundanzas organizativas Leticia Santos referiuse ao traslado das urxencias de Moaña a Cangas, que exixe restituír de inmediato. "Levar as urxencias en Cangas supuxo un incremento do tempo de resposta en casos onde a presenza dos equipos médicos é vital", polo que tamén demanda unha ambulancia para o reforzo da comarca. "A falta de PAC en Moaña, desde outubro a quenda de médicas de tarde está ao 50%, polo 2.870 persoas non temos médica de referencia. Cada día aténdenos unha persoa distinta se non é que nos derivan a Cangas". A Primaria pode perder 40% dos médicos en cinco anos Cuestionou o seguimento de patoloxías e doentes, así como o silencio do conselleiro de ante a petición dunha reunión urxente. "Non podemos permitir que se destrúa un ben tan prezado como a sanidade pública", concluíu. "Exiximos a restitución inmediata das urxencias na Casa do Mar de Moaña, a atención médica para toda a veciñanza e o reforzo de todo o persoal sanitario da Atención Primaria, médico, pero tamén administrativo, de enfermaría, rehabilitación e pediatría". |
NOS_34933 | A enquisa sinala que a pandemia aumentou a fenda de xénero no mercado laboral galego. | Un estudo desenvolvido pola Universidade de Vigo (UVigo) en colaboración co Consorcio da Zona Franca dese municipio prevé que a economía galega medrará entre un 5% e un 9% en 2021 e que "nos vindeiros meses" resolverase no Estado español unha crise de solvencia empresarial latente que se espera que afecte en menor medida á comunidade. Esta conclusión foi a que se comunicou na presentación esta terza feira do informe de competitividade empresarial Ardán 2021. Segundo o catedrático de Economía Aplicada da UVigo, Santiago Lago, hai dous escenarios para Galiza este ano onde, no máis optimista, agárdase que o crecemento alcance un 8,8%, mentres o máis pesimista sitúao no 4,8%. Tamén avanzou a eclosión dunha crise de solvencia empresarial que afectará en maior medida aos sectores nos que máis impactou a pandemia, como a hostalaría, e empresas que se manteñen "con respiración artificial", como os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), mais "non será unha hecatombe". Para o futuro, destacou que os principais retos para o sector empresarial relaciónanse coa dixitalización, a demografía, o medio rural e a transición ecolóxica. Precisamente, puxo o foco en que "boa parte das oportunidades" que abre o "enfoque europeo" sobre o cambio climático "encaixan" con recursos dispoñíbeis na Galiza. Falta de igualdade Adicionalmente, o delegado do Estado español na Zona Franca, David Regades, presentou o informe Ardán 2021, elaborado cos últimos datos dispoñíbeis, de 2019. Así, precisou que un 5% das 3.500 empresas galegas analizadas obtiveron algún dos indicadores de competitividade Ardán, así como que as que alcanzaron este recoñecemento xeraron un 53% do valor engadido bruto. Da mesma maneira, o estudo reflicte que un 66% das e dos empregados traballan en pequenas e mediana empresas (Pemes) e que un 42,4% das asalariadas son mulleres. Así, Regades puxo o foco en que unha de cada catro empresas galegas as mulleres representan, como máximo, o 25% do persoal e que o custo da falta de igualdade ascende a 17.000 euros anuais para este colectivo. Lembrando o seu papel na pandemia asegurou que non se pode "seguir prescindindo de máis da metade do talento". |
PRAZA_8209 | O primeiro candidato á secretaría xeral dos socialistas galegos e presidente da Deputación de Lugo advirte de que "en ningún punto dos estatutos" do partido "pon que non poidamos escoitar á militancia" e subliña que a formación "non pode renunciar a actuar ante o austericidio da dereita" | José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967), líder dos socialistas lugueses, é o primeiro candidato á secretaría xeral do PSdeG. Presidente da Deputación de Lugo dende 2007, fala con paixón do labor desta institución que, admite, está "eternamente cuestionada" mentres inicia unha rolda de contactos coa militancia socialista de toda Galicia para "escoitar" sen "medo". Asegura ter "ilusión" para encabezar o novo período de "renovación" do socialismo galego mentres advirte de que "recuperarse rápido non significa recuperarse ben". Sen rivais coñecidos na carreira polo liderado afirma ter claro "a quen nos temos que dirixir, que é o que temos que facer e como temos que facelo, e para iso precisamos un partido forte e unido". Que pode achegar vostede ao partido que a actual dirección non achegou? A cuestión no é que podo achegar eu. Estamos nun momento de renovación e cambio e o próximo secretario xeral, sexa home ou muller, vai achegar un cambio. É un momento completamente distinto, mesmo ao de hai un ano, no último congreso. Hai un latexar distinto e podemos falar con normalidade de fenómenos como as primarias, de abordar cuestións como a limitación de mandatos, das listas abertas... E hai un ano estes temas non estaban no día a día da militancia. Non pasaron máis de doce meses, pero mudaron moitas cousas e hai que empezar a pensar como o Partido Socialista pode ganar as próximas eleccións para transformar a sociedade dende o Goberno. Pero o partido non é un fin en si mesmo, senón un medio para transformar a sociedade. Se o partido non é un fin... Coida que nos últimos tempos estivo demasiado centrado en si mesmo e menos na sociedade? Evidentemente. Eu estou convencido de que estes procesos orgánicos non poden eclipsar a realidade nin o proxecto dos socialistas galegos para Galicia. Temos que pensar que partido queremos para unha sociedade que queremos cambiar e para iso o Partido Socialista ten que profundar no seu galeguismo, que non é só poñer nun lugar prioritario a lingua e a cultura, que tamén. É pensar en clave de Galicia, identificar os problemas que ten Galicia, que algúns son compartidos e outros son propios: na economía, na industria, no emprego... Non somos mellores nin peores que o resto de España, pero si diferentes. Por exemplo, o problema demográfico é capital. E quen di a demografía di a ocupación do territorio ou o sector primario, que ten unha potencialidade tremenda. Cómpre realizar un labor moi importante de sensibilización, para que se saiba que os problemas que acontecen en Ferrol tamén lle afectan a quen está na Ribeira Sacra: o problema do naval é de Ferrol, pero aféctalle a Lugo e en Vigo teñen que saber os problemas que ten o sector gandeiro. Debemos superar unha visión localista e ese labor pedagóxico tamén o ten que asumir o Partido Socialista. Para pensar Galicia máis globalmente cumpriría superar algunhas das materias pendentes do socialismo galego, ollar menos cara á dirección federal e superar a imaxe de ser un agregado de agrupacións locais? "Ter unha raíz municipalista non ten que impedir xogar un papel a nivel de país" Eu aposto por un PSdeG forte e por unhas relacións coa federal de absoluta lealdade. Para que te respecten hai que respectar e esa é unha máxima que o PSdeG ten que levar adiante. Eu nacín nun partido federal e para min non é nada estraño. E para que haxa lealdade o PSdeG ten que ser o protagonista nas decisións en Galicia. E se ben é certo que o PSdeG ten unha forte raíz municipalista, isto non ten que impedir que se xogue un papel a nivel de país. Para iso hai que compartir os problemas, temos a obriga de facelo; o militante ten o dereito de participar e expresarse, e tamén ten o deber de facelo. É unha cuestión de respecto mutuo? Totalmente. Para min é fundamental un respecto mutuo que leva a un código de lealdade que todo o mundo entende. Eu, por exemplo, dixen que me ía presentar ante o Comité Nacional. Puiden dar unha rolda de prensa, pero díxeno no máximo órgano entre congresos que decide que vai haber un congreso e que antes pode haber unha consulta. Esas cousas témolas que facer no partido, no que eu levo vinte anos, dende setembro de 1993. Unha época na que non era doado defender o PSOE en público... Foi unha especie de rebeldía, semellante á de 1999, cando entramos no Concello de Lugo. As previsións demoscópicas dicían que iamos ter tres concelleiros e sacamos sete; estou acostumado a entrar en momentos difíciles. Non quero dicir que sexa un experto en xestionar situacións difíciles, pero hai que ter ilusión polo momento, e eu neste momento téñoa, cando todos nos temos que conxurar para dicirlle á xente que se pode facer política para solucionar os seus problemas. Celebrar unhas primarias para elixir secretario xeral pode ser o primeiro paso para que esa xente poida ver que o PSdeG se pode adaptar á realidade actual? "En ningún punto dos estatutos do partido di que non se poida escoitar a militancia; vimos dun tempo no que houbo un déficit de discusión" Os estatutos están para cumprirse, pero tamén para ser intepretados. En decembro fixemos un encontro coa militancia en Lugo e parecía que era unha fórmula antisistema dentro do partido, pero era escoitar a militancia. E en ningún punto dos estatutos do partido di que non se poida escoitar a militancia, é máis, aínda que non estea escrito todos entendemos que o Partido Socialista ten que escoitar a súa militancia. Había certo temor, porque semellaba un contexto asembleario e non somos un partido asembleario. O encontro saíu moi ben, durante todo un día, con máis de cincuenta intervencións nas que non houbo unha que non falase de futuro, con xente que había anos que non viña polo partido. E ninguén cuestionou o partido. O peor que pode facerse é terlle medo á militancia, coa que hai que compartir acertos e culpas. E neste proceso temos que axudar, porque vimos dun tempo no que houbo un déficit de discusión, probablemente froito dos tempos. Temos que adestrar máis a discusión. Ese encontro coa militancia que xa comezou en Lugo agora ten que estendelo a toda Galicia, como vai ese proceso? Empezaremos xa coas agrupacións grandes e despois iremos ás comarcas. A miña intención é bater toda Galicia, para estar próximo ao militante que me queira escoitar ou dicirme algo. Trátase de escoitar; hai quen me di "cal é o seu proxecto?" e eu teño opinión sobre moitos temas, pero neste momento o que hai que facer é contrastalas, porque nalgunhas cousas podo non ter razón. Eu estou disposto a discutir sobre réxime electoral, sobre as deputacións... En Lugo xoga na casa por motivos evidentes, pero réstalle un esforzo no resto de Galicia. Séntese un descoñecido? Si, e voume presentar, non vou dar por sentado que me coñecen. Eu cando inicio as miñas intervencións cos compañeiros e compañeiras empezo dicindo que son un avogado de 45 anos que se afiliou ao partido en setembro de 1993, que é fillo da educación pública, que me marcou e me deu moito... E cóntolles cando empecei a política activa no Concello de Lugo en 1999, no 2007 entramos na Deputación, a primeira vez que entraba un socialista dende os romanos [ri] e revalidámola en 2011 nun contexto moi difícil. Aquí levamos seis anos en coalición co BNG, onde fomos quen de marcar unha folla de ruta na que os dous grupos traballan para levala adiante. Eu non son nacionalista nin teño pensado selo, pero non me dedico as vinte e catro horas a tentar convencer os nacionalistas de que deixen de selo, senón a que o acordo que fixemos se leve adiante. Se chega á secretaría xeral terá que relacionarse, en maior ou menor medida, co presidente da Xunta. Que tal relación teñen? O goberno da deputación e o galego bateron en máis dunha ocasión... "A actual dereita é unha das máis duras, insensible ante os problemas da cidadanía" Eu cheguei a acordos co PP para solucionar problemas. Pero nós non compartimos o que está facendo a dereita, que é unha das máis duras, que non se parece en nada á época de Manuel Fraga. É insensible ante os problemas da cidadanía e contra iso, nós temos que reaccionar. Acordar por acordar, non. Acordar para que a sociedade viva mellor, para ter unha sanidade pública e unha educación pública forte... Por exemplo, a educación no é só dar clases de matemáticas e lingua, senón un paquete de comedor, transporte... todo aquilo que permite que os rapaces, cando entran na escola, sexan iguais. Que a liña de saída estea no mesmo sitio para todos. Para levar adiante estas iniciativas antes ten que chegar ao liderado do partido... Agarda moitos rivais? Ultimamente fanme moito esa pregunta... Cando un afronta un proceso democrático pode haber un candidato, dous, tres ou catro... E ningunha das cousas é mala. O importante é que haxa unhas normas que permitan presentarse cunhas condicións razoables para todos. Tan bo é que haxa un como que haxa cinco. Eu non traballo con esas hipóteses, senón que traballo falando con moitos militantes, dicíndolles que a solución non é individual. Se hai cinco candidatos, aceptarei a loita democrática e con espírito de superación. Pero neste momento hai que falar e escoitar, porque os liderados agora non son individuais, son compartidos. Un deses posibles competidores pode ser o actual secretario xeral? "Non sei o que vai facer o secretario xeral, pero sería un candidato máis" Non teño opinión sobre o que vai facer. É un militante máis e eu non estou na súa cabeza, pero supoño que co tempo o veremos. Sería un candidato máis. Vese encabezando un cartel electoral ou aínda é política ficción? Ademais de ser ficción, neste momento temos que liberarnos desa ansiedade. Temos que empezar a facer un traballo, se cadra como o que se facía hai trinta anos; temos que mirar máis ás agrupacións, aos militantes, temos que relacionarnos coa sociedade... e iso leva tempo, recuperar a confianza leva tempo. Trátase de facer moitas cousas ben durante moito tempo, e o electorado da esquerda é moi esixente. Pero aínda que sexa máis duro, eu prefiro a esquerda fronte á dereita. E antes están as eleccións municipais... Tamén, e aí as agrupacións van exercer unha grande responsabilidade. Isto require un esforzo común moi solidario, moi xeneroso e de compartir as decisións, non cun líder mesiánico que decida o que hai que facer. Iso xa non existe. |
NOS_34027 | O portavoz municipal do Bloque na Coruña, Xosé Manuel Carril, atribúe os xuízos e sancións a "políticas represivas" contra a cidadanía que "exercemos os nosos dereitos fundamentais". | Xosé Manuel Carril protagonizou esta terza feira a segunda parte dos xuízos que decorren na cidade da Coruña contra activistas da Plataforma Stop-Despexos. O voceiro municipal do BNG personouse nos xulgados no trámite de proba pola impugnación da sanción económica que lle impuxeron con motivo da denuncia presentada pola Subdelegación de Goberno contra divers@s manifestantes no despexo de Aurelia Rey. En declaracións aos medios de comunicación ás portas do edificio Proa, Carril asegurou o seu caso é "unha anécdota" en comparanza coa "xente anónima" que é sancionada e multada "por ir a unha manifestación a exercer o seu dereito fundamental de reunión pacífica ou por emitir a súa opinión no seu exercicio de liberdade de expresión". 'Non somos serv@s nin escrav@s, somos pobo que defende os seus dereitos' O portavoz municipal do Bloque estivo arroupado por varias ducias de persoas que quixeron amosar a súa solidariedade co edil. Detrás dunha faixa na que se podía ler 'Non somos serv@s nin escrav@s, somos pobo que defende os seus dereitos', as persoas concentradas apoiaron o concelleiro quen afirmou "este lema non é ningunha obviedade, é unha auténtica necesidade". Xosé Manuel Carril pronunciouse nestes termos a respeito da situación que actualmente se está a vivir e na que, salientou, "estase a substituír o estado de benestar por un estado penitenciario ou de penitencia". Para o voceiro nacionalista "este é o contexto actual: as políticas neoliberais de apoio á grande banca e aos grandes mercados están a empobrecer a xente, que á súa vez protesta, e increméntanse as políticas de represión. Para a represión non hai austeridade". Acompañando a Carril atopábase tamén o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, quen asegurou que malia a "represión" e a "persecución policial" das "persoas que se comprometen lexitimamente a favor da xente" a organización frontista "non se vai nin enrugar nin amedentrar, e imos seguir ao lado das persoas que sofren, prestándolles o noso apoio e protección que o PP lles nega". O proceso xudicial continúa adiante á espera da sentenza. |
NOS_57124 | Xosé Reigosa produciu e dirixiu un traballo guionizado polo xornalista chantadino Afonso Eiré e para o que entrevistaron a medio cento de persoas e acumularon máis de 100 horas de rodaxe.Por primeira vez saen á luz o nome dos gardas que o asasinaron perto de Belesar, así como documentación inédita. | O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acolleu a presentación do documental sobre a vida de José Castro Veiga, O Piloto, un dos últimos membros do Exército Guerrilleiro Galego. O proxecto, que foi apadriñado pola Asociación Cultural Dous Punto Oito, foi dirixido polo fotógrafo Xosé Reigosa e guionizado polo xornalista chantadino Afonso Eiré. Canda eles participou na presentación Mario Outeiro, responsable de Cultura da Deputación de Lugo. Afonso Eiré asegurou que O Piloto foi "moito máis que o último guerrilleiro morto en combate, xa que é unha lenda que, 50 anos despois da súa morte, está presente no pobo", afirmou. Así mesmo, avanzou que na realización deste documental descubriron "novos aspectos totalmente descoñecidos sobre a súa figura e tamén nos encontramos con moitas cousas sobre a súa persoa que non son verdade. Este era un dos nosos obxectivos, desentrañar o que hai de verídico e o que de construción social", asegurou. Eiré tamén recordou que "a guerrilla galega foi a primeira en organizarse e tamén a última en depoñer as armas", relatou. De por parte, Xosé Reigosa achegou varios detalles sobre a produción deste traballo: "Foi un traballo bastante intenso, xa que fixemos máis de medio centro de entrevistas e contabilizamos 100 horas de rodaxe, completando máis de 8.000 quilómetros entre os dous. Comezamos a traballar a finais do verán de 2013 e ocupounos todo o 2014; en total, preto dun ano e medio de documentación, gravación e edición", aclarou. Reigosa quixo agradecer o apoio da Deputación "e moi especialmente por Mario Outeiro, xa que son consciente de que fixo bastante forza para que este proxecto saíse adiante". Mario Outeiro explicou que a "a Área de Cultura apoiou economicamente a elaboración deste documental, que relata a vida de José Castro Veiga, nacido no Corgo e coñecido por ser o último guerrilleiro da loita antifranquista, sendo asasinado pola Garda Civil preto da presa de Belesar". Reigosa comentou que o documental "comeza cunha introdución na que se contan as últimas horas do Piloto, ata cando o matan preto de Belesar" e relatou algúns dos problemas cos que se atoparon á hora de levar a cabo o traballo. "Por un lado está a ausencia de imaxes, xa que daquela moitas foron destruídas porque para os seus posuidores podían ser comprometedoras á hora de relacionalos coa guerrilla e hoxe en día, a pesar de que xa pasaron 70 anos desde a Guerra Civil, aínda hai moita xente que non quere falar daqueles acontecementos por vergoña", manifestou. Finalmente, Eiré incidiu na vinculación política do Piloto. "Nin foi un bandoleiro, nin foi un escapado, nin andaba polo monte. Foi un político que non tivo máis remedio que coller as armas para defender a legalidade republicana, primeiro, e logo aos máis necesitados, tratando de que os abusos e as inxustizas minguasen ou non se levasen a cabo en moitos casos", xustificou. Asemade, o xornalista chantadino anunciou que no documental "saen á luz por primeira vez os nomes dos gardas que participaron na súa morte e cóntase como o abateron", así como a entrevista que lle fixo no ano 1979 a Ramona Curto, Mirelle, a compañeira sentimental do Piloto, xa falecida, e as confidencias que lle fixo nos anos posteriores: "Como daquela non tíñamos bos medios para gravar a voz, reprodúcense a través da actriz Comba Campoy". O actor Ramón Rodríguez Porto é o encargado de darlle vida ao Piloto. O documental será presentado ao público o vindeiro venres día 20 de febreiro ás oito da tarde, cunha proxección salón de actos do Pazo de San Marcos |
NOS_54994 | A Federación afirma que nin sequer se logrou un modelo de contrato único "que evite os abusos das industrias". | Embora as leves subas, o prezo do leite en Galiza continúa no furgón de cola de Europa, non chega para cubrir os custos de produción e deriva no fechamento de explotacións leiteiras, máis de 600 só en 2016. A Federación Rural Galega lembra que o que se paga polo leite no noso país é un problema que se está a enquistar e que o acordo lácteo asinado en setembro de 2015 non axudou a resolver. En febreiro a media do prezo que se pagou en Galiza foi de 30,30 céntimos por litro. A media estatal está nos 31,60 e en Europa é de 34,22 céntimos. En estados veciños, con produción excedentaria como Francia, o prezo chegou a 35,15 cts. O acordo lácteo asignado polas organizacións agrarias estatais, UPA-Unións Agrarias e ASAJA, coa participación das industrias, cooperativas e a gran distribución non foi a solución. "A día de hoxe desde Fruga preguntámonos para que serviu ese acordo. Os prezos percibidos polos gandeiros galegos non cubren os custos de produción na maior parte dos casos, o cal leva implícito que os gandeiros galegos suframos perdas en cada litro de leite que producimos". A organización lembrou que o acordo lácteo implicaba que tanto a industria como a gran distribución asumían unha serie de compromisos, destinados a aumentar o prezo do leite a percibir polos gandeiros. "Pasado o tempo, vemos como a maior parte dos contratos asignados nos últimos meses, contemplan prezos de 27 e 28 céntimos, o cal non se traduce en ningún tipo de suba". Considera a Fruga que o Ministerio non conseguiu para nada os seus obxectivos, "e nin tan sequera foi quen de conseguir un modelo de contrato único, que evitara os abusos das industrias". |
PRAZA_9196 | "Os públicos non temos que crealos, están aí. O que temos é que atopalos, coñecelos, achegalos a nós e á nosa proposta. E aquí é onde ten o seu papel protagonista a comunicación cultural", destaca Sonia Díaz | "Ocorre que, como culminación dos últimos trinta anos de cultura galega, hai profesionais, mais non acaba de aparecer o público. E, se non hai medios, tamén é difícil que haxa público. Da mesma maneira que, se non hai público, é complicado que haxa medios culturais". Camilo FrancoOs públicos non temos que crealos, están aí. O que temos é que atopalos, coñecelos, achegalos a nós e á nosa proposta. E aquí é onde ten o seu papel protagonista a comunicación culturalO principal reto ao que se enfronta a cultura galega é o da creación de públicos. Disque. Isto, que a priori pode parecer unha afirmación circunstancial, á forza de ser repetido converteuse en axioma estrutural. Os representantes políticos falan nos seus discursos –e nas bases das axudas públicas- de "esforzo colectivo na creación de públicos" e de fomento do consumo cultural. Por veces, este parece ser o único argumento compartido por todas as partes na definición dunha política cultural para o país.As persoas están, existen. E teñen, temos, unha relación íntima coa cultura. Consumímola e creámola. Ás veces, sen decatármonos. Neste non decatármonos do feito cultural, prodúcense algúns desaxustes. Porén, nego a maior: os públicos non temos que crealos, están aí. O que temos é que atopalos, coñecelos, achegalos a nós e á nosa proposta. E aquí é onde ten o seu papel protagonista a comunicación cultural. Dediquei os últimos dez anos a construír unha ponte entre a creación cultural e a sociedade galega, man a man con moitas e moi diversas empresas e colectivos. Escritoras, editoras, guionistas, dramaturgas, clowns, actrices e produtoras, docentes, máis ilustradores ca ilustradoras, máis músicos ca músicas e moitos máis directores ca directoras, managers, xerentes, programadores, algunha programadora, distribuidoras, axitadores de conciencias, enlazadores de mundos e fervedores de ideas, a lume lento ou a todo gas. Todas as persoas coas que traballei ao longo destes anos teñen en común o talento, a determinación e o compromiso. Unha aposta persoal e profesional pola creación propia. A aceptación dun alto risco. Hai un certo descoñecemento dos públicos aos que se dirixen. Aos que se poderían dirixirPero tamén teñen en común, a maioría deles, un certo descoñecemento dos públicos aos que se dirixen. Aos que se poderían dirixir. Con frecuencia, enfocan ben un deles. Ben o institucional, ben o empresarial, ben o consumidor final. Ou un dos consumidores finais, aquel que tiñan na cabeza cando definían a súa proposta. Ás veces, bastantes veces, este público final é moi similar ao propio creador ou creadora. Custa máis abrir o foco e descubrir que hai unha enorme variedade de perfís do outro lado da -poñéndonos, por un momento, un chisco convencionais- pantalla, do altofalante, da páxina ou do telón. Non sei se esta característica é específica do sector cultural galego. Intúo que non, que sempre se ve con maior claridade e perspectiva dende as marxes do proceso creativo. En todo caso, este é un dos maiores retos aos que se enfrontan os proxectos e entidades culturais en Galicia: descubrir os seus públicos, todos eles. Velos e intentar coñecelos na maior profundidade posible. Achegarse a eles e aos seus hábitos, ás súas necesidades, aos seus códigos, ás canles compartidas.A finais do século pasado e aínda a comezos do actual, todos os públicos da cultura tiñan alomenos unha canle común: os medios de comunicación convencionais. A radio, a prensa e a televisión, en cadanseu momento e lugar, adicaban un espazo á información cultural. Podía ser pequeneiro, pero era. A dificultade, que non era menor, estaba en conquistar a ollada dos profesionais especializados. E, en fin, en que estes cumprisen a súa parte do trato e conquistasen o interese do público.Porén, é ben sabido que os medios convencionais teñen vivido nas últimas décadas unha profunda crise debido –principalmente, pero non só- á súa incapacidade para adaptar o seu modelo de negocio ás novas tecnoloxías da información, co seu cambio de soportes e de narrativas, coas súas potencialidades e cos seus riscos. As primeiras vítimas desta crise foron as e os xornalistas. Especialmente, os especializados en cultura. Unha temática considerada xa de vello menor á hora de achegar recursos aos medios e, polo tanto, inmerecedora do esforzo que require abordala con profesionalidade. Degaxaron as seccións de cultura e desapareceron as poucas cabeceiras de prensa impresa que facían bandeira da información cultural: o Galicia Hoxe, o Xornal de Galicia, A Nosa Terra ou a delegación galega de El PaísDicían os profesionais dun xornal galego a comezos do século XXI que a cultura era o espazo que quedaba entre os deportes e as esquelas. E, se hai unha morte repentina, unha esquela non lle vai comer oco ao deporte!Degaxaron as seccións de cultura e desapareceron as poucas cabeceiras de prensa impresa que facían bandeira da información cultural: o Galicia Hoxe, o Xornal de Galicia, A Nosa Terra ou a delegación galega de El País. A cultura galega viuse relegada a caixóns de xastre, como a axenda local ou a información de lecer ou sociedade, e –no mellor dos casos- ao oco que lle corresponde nos suplementos semanais especializados, como o Fugas de La Voz de Galicia, o Faro da Cultura do Faro de Vigo, o Nordesía do Diario de Ferrol, do Ideal Gallego e do Diario de Arousa ou o Táboa Redonda do Grupo El Progreso. E é que, dentro destes suplementos, os proxectos culturais galegos teñen grandes dificultades para conquistarlles algo de terreo ás propostas foráneas.Nos medios, o espazo é escaso e a competencia, feroz. A cultura mainstream, en castelán e en inglés, ocupa tamén ese último balón de osíxeno. Como tamén ocupa o das principais emisoras de radio e o da inmensa maioría das canles de televisión. Os medios audiovisuais autóctonos foron, tamén, degaxando ata quedar reducidos ás canles públicas galegas (Radio Galega e Televisión de Galicia), a unha Radio Voz a cada momento máis recluída nos cuarteis locais, como tamén se recluíron as principais emisoras privadas estatais (SER, COPE, Onda Cero), a unhas cantas emisoras públicas municipais e a Localia Vigo, Telemiño e, ata hai ben pouco, Televinte (cuxo funeral dixital -A mellor despedida,o voso agarimo: #20anos contigo-, pódese seguir nas redes), que manteñen aceso con grandes limitacións o lume das televisións locais. TVE conserva en Galicia unha desconexión diaria e as canles estatais privadas manteñen as delegacións, pero non os espazos propios que tiveran outrora. O público está, pero moito máis fragmentado e infiel. Aos medios convencionais cústalles, tamén, manter a súa parte do trato.A TVG conserva un oasis cultural, o Zigzag Diario, auténtico referente para o sector, como tamén o foi durante décadas, na Radio Galega, o Diario CulturalConquistar espazo nos medios convencionais sigue sendo, porén, un obxectivo prioritario. Por moi pequenas que sexan as súas audiencias, para un proxecto cultural son moi golosas. Imprescindibles. A TVG conserva un oasis cultural, o Zigzag Diario, auténtico referente para o sector, como tamén o foi durante décadas, na Radio Galega, o Diario Cultural. Con respecto a este último, a dirección do ente público asegurara no momento da súa supresión (maio do 2018) que non se trataba tanto dunha morte como dunha transformación e que, á volta do verán, o Diario volvería cunha maior presenza na grella. A marca, efectivamente, espandiuse no cuantitativo e ocupou diversos espazos dentro e fóra dos principais magazines da canle, pero as voces críticas recordan que esta mutación é similar á que levamos anos presenciando nos medios impresos e que, en fin, non resultou moi favorecedora para a calidade da información cultural no país.Fóra destes dous espazos de trato preferente, e doutros especializados como a cinematográfica Sala 5, o musical Estudio 3 ou o literario Chamando á terra, desaparecido no verán coa reestruturación dos contidos culturais baixo o paraugas do Diario Cultural, a cultura galega pode –e debe- pelexar o seu oco no resto de programas da grella. Os informativos, os magazines e os programas de variedades do prime time son especialmente atractivos, pola súa capacidade para achegar a nosa proposta ás grandes audiencias. Neste sentido, cómpre lamentar a desaparición das delegacións locais da Radio Galega, acubillo tradicional para proxectos culturais galegos pequenos –e non só- que atopaban nas desconexións informativas unha canle de conexión interesante co seu público xeográfico. Quedan, porén, as delegacións locais das emisoras públicas e privadas do Estado e de Radio Voz, que poden ser excelentes transmisoras locais das nosas propostas. Se o noso proxecto achega unha dimensión pintoresca ou unha imaxe chamativa, tamén poderemos conquistar o interese dos informativos dos grandes medios do Estado. Pero, con isto, en fin, non podemos contar. "Profesionais non só do xornalismo senón de diversos ámbitos da cultura ou da educación asumiron boa parte dese traballo ao que os medios renunciaron", di Montse Dopico"A sociedade foi neste, coma en moitos outros contextos, por diante das empresas de comunicación", asegura a xornalista Montse Dopico en A cultura en Internet: facer da necesidade virtude. "Profesionais non só do xornalismo senón de diversos ámbitos da cultura ou da educación asumiron boa parte dese traballo ao que os medios renunciaron", engade. "E Internet supuxo, nese sentido, a oportunidade para crear e difundir un tipo de información cuxa produción se torna cada vez menos dependente das estruturas da vella prensa". Dopico é un referente na comunicación cultural contemporánea en Galicia. Neste informe, que asina dentro do volume A comunicación en Galicia 2015 do Consello da Cultura Galega, destaca a potencia que acadaron no país as webs culturais a comezos do presente século. En efecto, son múltiples as iniciativas dixitais xurdidas para cubrir o oco que os medios convencionais foron deixando, especialmente, na información cultural. Webs especializadas por xénero -teatro, literatura, música e audiovisual, principalmente- ou por localidade. Axendas que, puntualmente, intentan con maior ou con menor éxito dar o salto ao papel. Trátase dun esforzo inxente que, con demasiada frecuencia, pasa factura aos seus impulsores. E é que ningún destes proxectos conseguiu, polo momento, ser rendible. O que os leva, máis tarde ou máis cedo, cara á desaparición. Dopico cita no seu informe un cálculo do director de culturagalega.gal, Manuel Gago, que cifra en entre 16.000 e 20.000 os lectores e lectoras da información cultural en Galicia. E precisa que terían que chegar aos 50.000 para "poder falar de viabilidade en canto a ingresos por publicidade". Eu engadiría que o sector tería que ser, tamén, consciente dos beneficios que suporía para todas e todos nós contar con medios especializados que nos achegasen directamente a un público obxectivo, interesado e informado, consciente e activo.O salto da viabilidade económica parecen telo dado propostas dixitais de información xeral como Praza, Sermos e Galicia Confidencial (que mesmo está participando no lanzamento de novas plataformas que buscan o público local) ou iniciativas de corte máis local como Que Pasa na Costa, Pontevedraviva, Coruñahoy ou Vouaxenda, por mencionar só algúns nomes. Estes últimos ofrecen unha excelente canle de comunicación con públicos xeograficamente ben definidos, pero carecen da capacidade para elaborar información cultural propia. Os primeiros fan un visible esforzo por cubrir esa necesidade, dentro das súas posibilidades. Son aliados imprescindibles.A canle principal de comunicación para os proxectos culturais do país son as webs e as redes sociais propiasFinalmente, neste contexto, a canle principal de comunicación para os proxectos culturais do país son as webs e as redes sociais propias. As do proxecto e ás das persoas que o levan a cabo. E isto, que ten unha vantaxe evidente -a comunicación non mediada, que elimina a necesidade de conquistar ao profesional especializado- presenta, tamén, enorme desafíos. O máis evidente é o de chegar ao público. A todos os nosos públicos. As responsables de comunicación dos proxectos culturais galegos sentímonos como Sísifo, subindo unha e outra vez a mesma montaña, creando unha e outra vez canles que conecten o público coa cultura. Pero hai outro desafío que, con frecuencia, pasa desapercibido. Ata o punto de que hai axentes culturais galegos que mesmo o confunden cunha vantaxe. Na comunicación non mediada nós somos as únicas responsables das mensaxes que lles chegan aos nosos públicos. Isto ten unha parte boa, claro: eliminamos o risco de informacións erróneas ou críticas negativas. Pero tamén eliminamos a posibilidade de que alguén mellore as nosas mensaxes e isto supón unha enorme responsabilidade. Só de nós depende captar o interese da audiencia. Se empregamos textos, fotografías e vídeos de pouca calidade, o público recibirá textos, fotografías e vídeos de pouca calidade. É o penúltimo grande esforzo que esixen os proxectos culturais galegos: todas, todos, somos xornalistas especializados. E, se non o somos, é mellor que vaiamos pensando en contratar alguén. Velaí a miña principal recomendación para o futuro. |
NOS_9147 | Non aprecia as razóns de especial urxencia pretendidas pola asocaición Lugo Monumental para que se acorde a suspensión sen escoitar antes as razóns da Xunta. Ademais, autoriza a Xunta a limitar o dereito de reunión. | O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denegou a medida cautelarísima solicitada pola Asociación de Empresarios Lugo Monumental para que suspendese o requirimento de presentación dun certificado Covid emitido polo servizo público de saúde ou laboratorio oficial para acceder ao interior de estabelecementos hostaleiros e locais de lecer nocturno, así como as restricións relativas á ocupación nas terrazas en determinados concellos. Dado que a tramitación das medidas cautelarísimas supoñen que non se lle dea traslado do recurso á Xunta, o tribunal acordou, co obxectivo "de non furtar á Administración a posibilidade de facer alegacións e de atender a petición subsidiaria efectuada pola parte actora", que se continúe a súa tramitación como unha peza ordinaria de medidas cautelares. Saúde pública A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG entende "non concorrente o requisito da urxencia", indispensábelpara adoptar a medida cautelarísima demandada, "xa que non se acreditou o concreto prexuízo inflixido á asociación hostaleira recorrente nin o seu carácter de irreparábel". Así, o alto tribunal galego destaca que en todas as medidas adoptadas pola Xunta, incluídas as que son obxecto de impugnación, "subxace o interese en evitar a aglomeración de persoas, de procurar que se respecten as medidas de distanciamento e, en definitiva, de protexer a saúde pública facendo fronte aos gromos e ás cadeas de transmisións existentes, procurando garantir a súa contención". Fundamento sanitario Os maxistrados resaltan que teñen "un evidente fundamento sanitario, dados os riscos de transmisión dunha enfermidade contaxiosa como é a Covid". Así, subliñan que "nos atopamos antes unhas medidas de prevención que se adoptan nun contexto de emerxencia de saúde pública". Ademais, advirten da "preocupante evolución do número de contaxios nestes últimos días na área xeográfica á que se estenden as medidas cuestionadas, afectando de forma predominante a mocidade, que é o grupo de poboación que frecuenta en maior medida as discotecas e demais locais de lecer nocturno, así como as cafetarías, restaurantes e bares". Dereito á intimidade No auto, o TSXG non entra a valorar os argumentos da asociación respecto da suposta vulneración do dereito á intimidade da cidadanía ao ter que exhibir documentación de carácter sanitario, xa que é unha cuestión que non lle compete neste estado do procedemento, "no que non cabe oír á Administración autonómica". Os xuíces lembran que, neste momento do procedemento, limitan a súa actuación "para comprobar a motivación e xustificación prima facie das medidas adoptadas". Así, conclúen que non se acreditou a concorrencia das circunstancias de especial urxencia necesarias para a adopción da medida cautelarísima solicitada pola asociación. Reunións sociais Doutra banda, o TSXG autoriza a Xunta a limitar o dereito de reunión para "defender a saúde pública" ao entender que as medidas "cumpren as esixencias de seren idóneas, necesarias e proporcionadas". Así, autorizou limitar as reunións en interiores ata un máximo de seis persoas, e en exteriores a dez, nos espazos tanto públicos como privados dos 313 municipios galegos, así como a prohibición de encontros con persoas non conviventes entre as tres e as seis da madrugada para a maioría de concellos, e entre a unha e as seis para aqueles que se atopan nunha peor situación epidemiolóxica. |
NOS_23236 | O mantemento do estado de emerxencia prohibe mobilizacións na rúa embora seren pacíficas. | Máis de 300 persoas foron prendidas pola policía francesa na xornada de onte (29 de novembro) na capital francesa. Con motivo da cimeira internacional do clima (COP21) millentas persoas (por volta de 3 mil) concentráronse na Praza da República embora manterse o estado de emerxencia que prohibe expresamente calquera mobilización nas rúas. Malia o carácter pacífico da concentración, coa que @s asistentes trazaron unha cadea humana entre A República e A Nación, a policía comezou a cargar con gases lacrimóxenos. Segundo algúns medios franceses e tamén responsábeis das forzas de seguridade francesa algunhas das persoas concentradas tería tirado obxectos dos depositados en lembranza ás vímitas dos ataques de París contra @s axentes policiais. A mobilización pretendía exixir compromisos políticos @s asistentes de 195 estados após as anteriores roldas de negociación remataren con meras declaracións de intención perante o cambio climático. Policía dispersa manifestación climática en París (galería) https://t.co/xL3eID4Sjq pic.twitter.com/kn0IcNEaO5— CNN en Español (@CNNEE) November 30, 2015 |
NOS_18350 | Firme no Leme, novo single da banda liderada por Tonhito de Poi, pon fin a unha paréntese de seis anos. Co espírito e os ritmos rexenerados, inaugúrase a nova formación do grupo cun tema sobre a incríbel historia de William, forxado nas illas Azores, que hoxe dan a coñecer en Radio Sermos. | Após unha longa paréntese de seis anos, A Banda de Poi regresa renovada en ritmos, espírito e membros. Da formación orixinal só se mantén o seu impulsor Tonhito de Poi, vocalista e guitarra dos emblemáticos Heredeiros da Crus, que conta cun percorrido de máis de 20 anos no mundo da música. Inda que, como el sempre gosta lembrar: "son de Ribeira e veño do mar". Os novos integrantes son "uns músicos de longa traxectoria", en palabras do mentor do conxunto. Da parte electrónica e os teclados, "que nos conectan coa espiritualidade" encárgase Quique Otero, tamén membro da Banda Crebinsky e responsábel da dirección do filme Crebinsky. O baixo é Pablo Pérez, compositor e contrabaixo, e autor da banda sonora desta película. Finalmente, na batería, ó serrucho e ó zetrum está Pulpiño Viascón, un dos fundadores dos Diplomáticos de Monte Alto e, segundo Tonhito, "un auténtico home orquestra". Os novos integrantes da banda, salienta Tonhito, son "uns músicos de moita traxectoria" Con esta formación de luxo, a Banda de Poi renova un proxecto que botara a andar no Porto, Portugal, coa premisa de uniren "galegos e portugueses nun mesmo grupo e nun mesmo pobo", do que saíra o disco Mór (2005). Mais o regreso amosa un salto internacionalista e, desta volta, con músicos autóctonos. "A filosofía segue sendo a mesma", explica Tonhito en conversa con Sermos Galiza, "mais, no canto de unirmos Galiza e Portugal, procuramos a comuñón de todos os pobos do mundo mediante a música". Deste xeito, esta nova etapa estará protagonizada polo que eles chaman "cantos de menciña" ou, o que é o mesmo, "músicas chamánicas", de orixes diversas coma O Brasil, Perú, Colombia ou o norte da India, que serven de inspiración para as composicións propias. "A nosa onda está no rock sinfónico, con aires pinkfloidianos e psicodélicos, mais é un proxecto moito máis persoal e profundo do que Heredeiros", aclara quen é a súa alma máter. "A filosofía segue sendo a mesma mais procuramos a comuñón de todos os pobos do mundo" 2013, Firme no Leme: A incríbel historia de William A letra do novo single está baseada nunha historia real da que Tonhito tivo noticias nunha xira polas illas Azores."Na illa do Pico, hai varado un veleiro inmenso que pertencía a un inglés octoxenario chamado William. O barco apareceu á deriva a 20 millas ao sur da Illa das Flores e, após atracarlle o costado, cando subiron a bordo, atoparon a William aferrado ao timón. Levaba morto máis dun mes", narra Tonhito. "William apareceu aferrado ao timón dun barco varado ao sur da Illa das Flores. Levaba morto máis dun mes" A incríbel historia de superación do británico foi plasmada en letra polo antigo mariñeiro de Ribeira e unha artista francesa coa que compartía cartaz no festival Fringe dos Azores, namentres viaxaban a bordo dun barco, dunha illa a outra. "Esa mesma noite collín a guitarra e aí naceu a canción", lembra visibelmente emocionado. Inda virá un single máis -sobre un sacerdote de Corrubedo namorado dunha muller- antes de que A Banda de Poi saque o seu novo disco. "Antes de meternos de cheo no estudio, había que testar a banda", defende o seu guieiro. "Mais, xa non ensaio, saímos todos reconfortados, así que as previsións son moi boas", salienta. |
NOS_23927 | A formación pide aos seus socios, Podemos e IU, nun documento ao que tivo acceso Europa Press, que se reconduza a situación. "Pon en perigo o proceso para as galegas", chega a afirmar. | En Marea actúa "sen autonomía" nin "voz propia", sen "capacidade de iniciativa política" e, ademais, en Galiza hai a percepción de que "non está a cumprir co prometido". Son algunhas das afirmacións e reflexións que figuran no documento que Anova trasladou aos seus socios, Podemos e IU, e ao que tivo acceso Europa Press. Un escrito que se puxo en coñecemento da Mesa de coordenación de En Marea – que tivo xuntanza a finais da pasada semana- para queixarse de que os acordos non se estaban a cumprir, polo que se facía necesario "reconducir" a situación, para que haxa "unha acción política propia de En Marea nas negociacións" para unha alternativa de goberno. A formación que lidera Xosé Manuel Beiras sitúa o comezo dos incumprimentos na "negativa" da Mesa do Congreso a que En Marea tivese grupo propio. Así, mentres Compromís optaba por ir ao Grupo mixto, a coligazón de Podemos, EU e Anova optaba por se integrar no 'grupo confederal' de Podemos. "Comezaron a se dar unha serie de dinámicas que puxeron en cuestión a independencia de En Marea", indícase no documento, lamentando que iso ficase evidenciado nas negociacións para conformar un goberno alternativo. "Perde toda capacidade de iniciativa política e dilúese como un anexo sen autonomía nin voz propia, sen ser quen de, ao menos, tecer un relato sobre a súa posición". Anova lembra dúas cuestións do acordo político suscrito no seu momento cos seus socios: Construír "un suxeito político galego a consolidar" e "personalidade política diferenciada no Congreso". "En perigo" Anova recoñece que en Galiza existe a percepción que nas negociacións para formar goberno "En Marea non está a cumprir co prometido". Un tema que se puxo riba da mesa na xuntanza da Mesa de Coordinación de En Marea habendo, segundo EP, posicións diferentes. "Isto pon en perigo a continuidade do proceso cara as eleccións galegas, onde hai, por primeira vez en moito tempo, a posibilidade de contar cun grupo alternativo ao PP liderado por unha forza da esquerda rupturista e con proxecto propio para Galiza", afirma Anova. Anova recoñece que en Galiza existe a percepción que nas negociacións para formar goberno "En Marea non está a cumprir co prometido" Cómpre lembrar que Beiras denunciou "falta de axilidade" na comunicación entre En Marea e Podemos, atribuíndo a iso que as condicións da coligazón europea non aparecesen na proposta de goberno que o partido de Pablo Iglesias remitiu ao PSOE.. Alexandra Fernández asegurou días despois que En Marea abrirá as súas negociacións co PSOE co seu propio documento propio. Mais desde Esquerda Unida xa se sinalou que esa cuestión "non foi acordada", polo que se queixaron do posicionamento de Fernández. Segundo recolle EP, IU discrepa con esa visión de "bilateralidade" e de que En Marea trate directamente co PSOE. As declaracións de Beiras foron contestadas polo senador García Buitrón, presidente da comisión xestora de Podemos Galiza. O dirixente do partido moderado non ve a descoordenación entre En Marea e a formación de Pablo Iglesias por ningures, resta importancia a non presenza de Galiza no documento de negociación co PSOE (tampouco hai alusións directas a Castela León ou Estremadura, afirmou) e chega a revelar que Yolanda Díaz é coautora do texto. |
NOS_17367 | Os bosques galegos máis emblemáticos son o obxectivo do novo programa de roteiros que bota a andar Adega-Lugo. Dentro da campaña "Cousas de Raíces" na defensa dos bosques galegos, iniciaranse coa visita á ameazada fraga de Casas Vellas de Catasós. | Os roteiros que cada ano organiza Adega-Lugo visitarán neste 2015 algúns dos principais bosques autóctonos galegos, dentro a campaña "Cousas de Raíces" na que colaboran tamén numerosos colectivos. "O obxectivo xeral da campaña é impulsar a imperiosa necesidade de conservar o bosque galego, tanto por parte da Administración pública, que vén amosando unha clara pasividade, como da sociedade en xeral", din desde ADEGA, diante do que cualifican como "alarmante retroceso" do bosque galego. A variedade dos nosos bosques queda recollida tamén na campaña de roteiros cos que se coñecerán fragas, sobreirais, soutos ameneirais, acevais ou loureirais. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza reparou tamén en espazos en especial perigo por distintas ameazas medio ambientais como son a fraga de Catasós (Lalín) o primeiro dos roteiros, ou o ameneiral de Sarria, sobre o que paira o proxecto de encanamento do río. Coñecer para defender "A defensa dun recurso natural sempre será máis efectiva cando teñamos a información sobre o mesmo sexa ampla e de primeira man", sinalan, polo que convidan á cidadanía a participar no proxecto. O calendario comeza o 25 Xaneiro coa Fragas de Catasós para visitar nos seguintes meses o bosque de ribeira de Sarria, os acevais de Piornedo, o sobreiral do Arnego (Agolada), o bosque de inundación de Begonte ou o Loureiral de Cortegada das Illas Atlánticas. Para participar nos roteiros compre se anotar chamando ao 982240299 ou 679113718, ou enviando un mail datos (nome e apelidos e teléfono) a [email protected]. |
NOS_20014 | Abraham e Isaac son de novo unha prioridade para o Concello de Compostela e para o Goberno galego. As esculturas creadas polo Mestre Mateo para o Pórtico da Gloria, grande activo do Patrimonio cultural galego, seguen inmersas nunha disputa xudicial e, polo momento, son propiedade da familia do ditador Francisco Franco en lugar de estar expostas para o desfrute das galegas nun museo compostelán. | O Concello de Santiago quere chegar ata o Supremo. Este é o criterio do rexedor municipal, Xosé Sánchez Bugallo, quen confiou en que exista "base legal" para recorrer ao Alto Tribunal contra o fallo da Audiencia Provincial de Madrid que lle deu a razón aos herdeiros do ditador Francisco Franco sobre as estatuas obra do Mestre Mateo, que se atopan en posesión da familia e que reclama Compostela. Bugallo asegurou que a corporación municipal ten moi claro o obxectivo de recuperar estes bens para o patrimonio público e que os servizos xurídicos xa se atopan traballando nun informe que permita formalizar unha decisión a respecto diso, que se tomará "a próxima semana". Desde o consistorio confirmaron a Nós Diario que o alcalde contactou coa asesoría xurídica e mais co letrado Xaquín Monteagudo, o mesmo avogado que iniciara o caso durante o mandato de Compostela Aberta, para decidir o seguinte paso. O rexedor incidiu especialmente en que a preocupación do Concello non é tanto que as pezas regresen como "titularidade municipal", senón que estes bens sexan accesíbels "para estudosos e para cidadáns". "O noso gran interese é defender que algo que é Patrimonio da Humanidade sexa Patrimonio da Humanidade, e non patrimonio privativo de ninguén", insistiu, para despois avanzar que as pezas se porán a disposición do Museo da Catedral ou do Museo das Peregrinacións no caso de que o Goberno local gañe neste pulso contra a familia do ditador. O rexedor informou onte da situación á xunta de Goberno local, na que toda a corporación manifestou o criterio común de recorrer o fallo no caso de que exista "base legal" para facelo. Bugallo considerou "moi favorable e positivo" que nesta nova sentenza se constate a compra das esculturas por parte do Concello de Compostela, aínda que falte por acreditar se estas son as mesmas que actualmente están en posesión dos Franco. Este é o obxectivo co que está a traballar a asesoría xurídica do Goberno local en colaboración co equipo de avogados que defendeu a posición municipal no seu día. O rexedor compostelán sinalou, á súa vez, que se buscará a colaboración do director do Museo da Catedral para que concorra xunto a eles co obxectivo de acreditar estas dúbidas, e tirou de retranca para engadir que non cre "que haxa moitas esculturas do Pórtico da Gloria circulando por aí". Porén, o alcalde recoñeceu as dificultades á hora de buscar este tipo de documentación, posto que naquela época "ninguén se podía permitir que Franco asinase ningún recibín"; e lembrou que as zonas de Santiago e A Coruña, xunto a "moitas outras", experimentaron "unha longa tradición de bens" que pasaron formar parte do patrimonio do ditador e que "non foron documentados de forma correcta". Colaboración da Xunta A sentenza da Audiencia Provincial de Madrid provocou as reaccións dos líderes políticos, comezando polo presidente da Xunta. Alberto Núñez Feixoo, asegurou que o Goberno está "a disposición" do Concello de Compostela en relación aos posibles pasos xurídicos a dar e que as áreas de Patrimonio e Cultura poden colaborar para analizar "os efectos e argumentos" da sentenza e así comprobar "se é recurríbel obxectivamente". Por outra banda, a deputada do Grupo Común da Esquerda Eva Solla sinalou que é "incomprensíbel que un ben de interese cultural estea en mans dunha familia expoliadora que amparou un réxime sanguento como o franquista"; mentres que o deputado do BNG Luís Bará tachou de "auténtica burla" esta resolución e insistiu en que "hai documentación" para identificar as esculturas. Bará avogou por "seguir batallando en todas as instancias" para conseguir a súa devolución. |
NOS_43931 | Tamén se descolgaron Equo e Batzarre. Nun comunicado conxunto apostan na chamada 'vía Nanclares' --a mesma que apoia o PP-- como única saída posíbel ao conflito vasco. | Izquierda Unida, Equo e Batzarre, as tres organizacións da esquerda 'rupturista' en Euskal Herría, desvinculáronse da mobilización que cada 11 de xaneiro percorre as rúas de Bilbo para denunciar a situación de dispersión á cal fican submetid@s os e as presas vascas desde hai 25 anos. Máis de 500 cidadá(n)s cumpren condena en 73 centros penitenciarios repartidos entre España e Franza. A marcha de Bilbo está apoiada por organizacións políticas, sindicatos, colectivos sociais, entidades deportivas, asociacións veciñais, grupos cristiáns de base, centros sociais, plataformas internacionalistas, grupo de música, escritor@s... Nun comunicado conxunto, as tres organizacións políticas din rexeitar "a política de afastamento dos presos e presas condenados por pertenza a ETA porque supón un castigo, porque contravén un principio reitor da legalidade penitenciaria e porque se demostrou contraproducente para a reinserción". Porén, acrecentan que "a progresión de grao penitenciario, o gozo dos permisos de saída e os procesos de reinserción levan en primeiro termo á responsabilidade das persoas presas". É iso o que defende a chamada 'vía Nanclares', que citan expresamente, a mesma saída que ampara o PP como única posíbel para o conflito vasco. Que é a 'vía Nanclares'? O nome fai referencia ao cárcere de Nanclares de la Oca, penal escollido polo goberno do PSOE para agrupar @s pres@s por pertenza a ETA que pediron perdón polas accións perpetradas e se comprometeron a pagar a responsabilidade civil das vítimas, para alén de renunciar á loita armada. Esta postura foi apoiada polo ministerio de Interior tamén cando o PP chegou ao Goberno español. A organización ETA decretou un alto o fogo definitivo en novembro de 2011. Con todo, os gobernos español e francés fixeron a cambadela ao proceso de paz mantendo as súas políticas penitenciarias e impedindo a escarceración d@s pres@s que xa cumpriran condena, aplicándolles de maneira retroactiva a doutrina Parot até que o Tribunal de Estrasburgo declarou esta práctica como ilegal e ordenou a posta en liberdade de 60 persoas. A mobilización do 11 de xaneiro está convocada pola iniciativa cidadá Tantaz Tanta --Pinga a Pinga-- e quita á rúa cada ano centos de miles de persoas. |
NOS_17637 | Reproducimos a seguir a reportaxe de Manuel Xestoso 'O público é o que máis ordena', publicada no Nós Diario de 8 de xullo de 2020 e que mereceu o Grande Prémio de Jornalismo Internacional Carlos Porto | O teatro está cheo. É dicir, ao cincuenta por cento da súa capacidade, que é o que permiten as novas normas de prevención de riscos tras a pandemia da Covid-19. En escena está Tiago Rodrigues, premio Europa de Teatro e director do Teatro Nacional Dona María II de Lisboa. Está a representar By Heart, un espectáculo no que o dramaturgo portugués encadea anécdotas e improvisa monólogos mentres trata de aprenderlles de memoria a dez persoas do público un soneto de Shakespeare. Nun momento, Rodrigues párase para recitar e faise o silencio. Queda parado, como escoitando; logo sorrí, camiña até o proscenio e diríxese a audiencia: "Levo moitas semanas traballando en teatros baleiros, teatros que permanecían en silencio. Mais agora decátome de que o silencio dun teatro baleiro non ten nada a ver co silencio dun teatro cheo". No patio de butacas todos levamos máscara, pero o sorriso de cada un de nós faise evidente. By Heart é unha das montaxes que fan parte do Festival de Almada, o encontro que substitúe o silencio dos teatros baleiros polo silencio dos teatros cheos. Hai pouco máis dun mes pouca xente cría posíbel que un encontro destas características puidese ter lugar, mais o festival confiou no seu verdadeiro protagonista: o público. Rodrigo Francisco, director do festival, explícanos que xa a principios de abril, cando nin sequera se sabía se os teatros poderían abrir, actuaron dun modo que acabou por ser orixinal: "antes de tomar ningunha decisión, procuramos saber que pensaba o público; fixemos unha enquisa entre as persoas abonadas e máis da metade responderon que, no caso de o festival celebrarse, renovarían a súa subscrición e acudirían. Mesmo algunhas persoas de idade, que tiñan medo pola súa saúde, responderon que non ían vir por precaución, mais que adquirirían o abono igualmente e que alguén iría no seu lugar. Iso deunos a forza para tomar a decisión de organizar esta edición mesmo antes de saber se sería posíbel". "Durante a pandemia e o período de confinamento houbo moita polémica sobre a cuestión dos creadores, sobre a súa fraxilidade e sobre as carencias da profesión. Pero non se falou nada dos problemas do público. E eu creo que é moi importante falar disto, porque sen público non hai artistas", continúa Francisco. "Houbo demasiada présa por fechar os teatros públicos, por exemplo. Xa en marzo anunciaron que non abrirían até setembro: non entendo como se pode fechar un servizo público, financiado por todos, dese modo unilateral, cando nin sequera existía un parecer técnico que ditaminase cando é que se poderían retomar as actividades da vida cotiá", sentenza. Na cafetaría do Teatro Municipal Joaquim Benite de Almada, mentres falamos, o deambular de xente con máscaras e fretando as mans co xel hidroalcohólico que se expende en puntos espallados por todo o teatro, non permite esquecer o inhabitual dunha edición coma esta. "Houbo que adaptar os horarios, multiplicar o número de funcións por espectáculo, estabelecer protocolos para asegurarnos de que en ningún momento se xuntaría demasiada xente ao entrar nin ao saír das obras, mais finalmente conseguimos toda a seguridade que se pode ofrecer nunha circunstancia como esta". Ademais da ocupación máxima do cincuenta por cento da capacidade dos espazos nos que se desenvolve o encontro, as máscaras son obrigatorias, hai pautas de entrada e saída para evitar aglomeracións, os horarios escaláronse para que non coincidan públicos de diferentes espectáculos… Por unha banda, hai algo de distópico en todo este dispositivo. Pola outra, todo se esquece cando se abre o pano. Hai ganas de ver teatro. "O público dixo que quería o festival e o festival fíxose", apostila Francisco. Unha nova dimensión para o Festival de Almada Polo Festival de Almada desfilaron nos últimos 37 anos todas as grandes figuras do teatro europeo e internacional: Roger Planchon, Peter Brook, Luc Bondy, Mathias Langhoff, Laura Betti, Luis Miguel Cintra, Patrice Chéreau, Cristoph Marthaler, Pippo Delbono, Romeo Castellucci, Robert Wilson… Esta edición, non obstante, enfócase principalmente no teatro portugués: por unha banda, polas dificultades para que as compañías internacionais circulen polo espazo europeo; pola outra, como un xesto de solidariedade cun sector que sairá moi prexudicado desta crise. A ocasión é perfecta para mostrar o bo momento polo que está a pasar a escena lusa. Creadores como Tiago Rodrigues, Nuno Cardoso, Nuno Carinhas, Tiago Correia, Isabel dos Santos ou o propio Rodrigo Francisco propoñen novas e interesantes miradas sobre unha realidade que semella a cada máis problemática. E o feito de que sexa o Festival o que retome a actividade redimensiona o seu lugar dentro do sistema teatral portugués, outorgándolle un papel que, dalgún xeito, as autoridades perciben (nalgúns lugares, as autoridades son sensíbeis ao que sucede no mundo da cultura). O día da inauguración do Festival, a pasada sexta feira 3, o presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, asistía a unha representación de Bruscamente no verão passado, dirixida por Carlos Avilez, na Sala Principal do Teatro Municipal, mentres o primeiro ministro, António Costa, sentaba na Sala Experimental do mesmo teatro para ver a versión de Mártir, de Marius von Mayenburg, dirixida polo propio Rodrigo Francisco. Almada non é un festival que fuxa deste papel institucionalizador. Do mesmo modo que non limita as estéticas que están presentes no seu programa –no que conviven as tendencias máis variadas– tampouco elude a súa responsabilidade á hora de crear vínculos entre o histórico e o contemporáneo, entre os creadores que lle deron forma ao pasado e os creadores dos novos moldes que conterán o futuro. Todos os anos, o Festival bota a vista atrás para homenaxear algunha figura histórica, para celebrar un traballo que non sempre é o suficientemente recoñecido, para buscar as raíces do presente. O ano pasado, o homenaxeado foi Carlos Avilez, director do Teatro Experimental de Cascais e responsábel da versión de Bruscamente no verão passado que abriu a edición deste ano. En 2020, o actor Rui Mendes foi o galardoado nun deses exercicios de memoria que xeran lazos e que axudan a percibir un teatro nacional como un corpo vigoroso, unha práctica continuada no tempo e que acompaña o devir da sociedade. Proxectando o futuro A crise tamén pode deixar as súas ensinanzas. Por causas de forza maior o Festival estendeuse no tempo, e agora os seus responsábeis perciben que este alongamento –que permitiu aumentar as actividades de debate, os coloquios, os encontros entre público e artistas– deu lugar a un festival máis pausado. Rodrigo Francisco subliña o feito de que "agora temos máis tempo para conversar sobre o que vimos, para sentar e discutir sobre os contidos, en vez de estar correndo sempre dunha sala para outra. É probábel que esta forma de enfrontar o festival teña consecuencias nas edicións futuras, no modo de abordar o debate cívico que acompaña sempre ao teatro". Polo de agora, aínda quedan tres semanas por diante para gozar do que esta edición pode ofrecer, que non é pouco. Castro, de Antonio Ferreira, dirixida por Nuno Cardoso e inspirada na vida e lenda da galega Inés de Castro, e Viagem de Inverno, de Elfriede Jelinek, dirixida por Nuno Carinhas, son dous dos pratos fortes desta vindeira fin de semana. O mundo é redondo, de Gertrude Stein, dirixida por António Pires, e Premio da Sociedade de Autores ao Mellor Espectáculo, achega frescura e atrevemento. Instruções para abolir o Natal, de Michael Mackenzie e dirixida por Isabel dos Santos, trata o tema da crise das subprimes de principios de século. E aínda quedan o exitoso Turismo de Tiago Correia, A criada Zerlina de Hermann Broch, dirixida polo cineasta João Botelho, Johan Padan a la descoverta de le Americhe, de Dario Fo e Franca Rame con dirección de Dario Fo e interpretada por un dos seus actores fetiche, Mario Pirovano… Toda unha panoplia de argumentos para nos enfrontar ao silencio dos teatros baleiros. |
NOS_13857 | A Galiza detectou nas últimas horas 535 positivos por coronavirus, ao redor dun centenar menos que a xornada previa, mais hai que ter en conta que tamén baixaron as probas PCR realizadas, con 1.700 menos. A presión nas unidades UCI segue á alza. | Nas últimas horas detectáronse 535 contaxios de coronavirus na Galiza, 104 menos que na xornada previa, ao tempo que tamén se reduciron as probas PCR realizadas (até 1.700 menos). Ademais, aínda que descendeu a cifra total de pacientes con Covid-19 ingresados en hospitais galegos, a presión nas unidades de coidados intensivos (UCI) segue á alza tan só dous días despois de finalizaren as festas do Nadal. En concreto, segundo a actualización dos datos da pandemia na web da Consellaría de Sanidade, na Galiza hai 413 persoas con Covid-19 ingresadas, seis menos que 24 horas atrás, mais aínda que caeron até os 350 as e os pacientes en planta (-12), creceron até 63 as persoas en UCI (+6). Case a metade das persoas ingresadas concéntrase nas áreas sanitarias da Coruña-Cee e Santiago-Barbanza. A coruñesa sumou nas últimas horas cinco novas hospitalizacións, até situarse no total de 109, das que 21 -dúas máis- están críticas. En canto á área santiaguesa, son 101 ingresos -un máis-, pero as UCI mantéñense con nove casos pola Covid-19. Tras estas, sitúase a área sanitaria de Vigo, con 55 hospitalizados en total, unha baixada de catro con respecto a hai un día. Con todo, creceron en dous os pacientes con Covid-19 en UCI, até os 16. A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés rexistrou unha situación similar, xa que o total de ingresados descendeu en cinco, até situarse en 51, pero os que están en coidados intensivos aumentaron en dous, até os 12. Na área de Ferrol, os últimos datos de Sanidade reflicten que hai 46 hospitalizados por coronavirus (-1), dos que tres (sen cambios) están en UCI. Finalmente, a área de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras continúa con 34 ingresados (sen cambios), dous en UCI (-1); e a de Lugo-A Mariña-Monforte ten 17 hospitalizados (-2), ningún deles en críticos. A maioría de áreas sanitarias rexistraron descensos nas infeccións notificadas, aínda que a de Santiago-Barbanza situouse á cabeza nas últimas horas cun total de 139, tras aumentar en 46. Tamén ascenderon os contaxios, aínda que máis lixeiramente, en Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con outros 75 positivos (+4); e Pontevedra-O Salnés, con 51 (+6). Paralelo a iso, a área sanitaria da Coruña-Cee foi a segunda, tras a compostelá, en número de contaxios novos, con 124, a pesar de que implica unha caída de 33 con respecto ao día anterior. En canto ao área viguesa, rexistrou unha redución de 115 casos nun día, até os 66 positivos. Ademais, baixaron os contaxios detectados en Ferrol, con 46 nun día (-17); e en Lugo-A Mariña-Monforte, zona menos afectada con 34 infeccións (-29). Iso si, cabe destacar que nas últimas 24 horas o Sergas realizou 6.269 PCR, o que implica 1.675 menos que o día anterior. Así, desde o inicio da pandemia practicáronse 1.159.616 probas diagnósticas na Galiza. |
NOS_17541 | Resta ainda um mês para o Folk Celta 2019, um festival que promete colocar Ponte da Barca no centro dos acontecimentos musicais no que ao norte de Portugal diz respeito. E também da Galiza, assim reconhecida no cartaz do evento. | Será no fim-de-semana de 26 e 27 de Julho de 2019 que a vila de Ponte da Barca volte a ser a capital da música. À semelhança do ano anterior, o Choupal nas margens do rio Lima, volta a ser palco deste evento de entrada gratuita em todos os espetáculos que conta, nesta edição, com nomes vindos do Brasil, Cabo Verde, Canadá, Hungria, Espanha, Galiza e Portugal. A compositora espanhola Ana Alcaide, que se dedica à exploração de sonoridades e tradições ancestrais, seguida Cremilda Medina, que faz parte da nova geração da música popular/tradicional de Cabo Verde, abrem o festival. Às 21 horas deste primeiro dia é a vez dos galegos Os D´Abaixo cujo repertório recolhe algumas das peças populares mais conhecidas da música galega inovadas com novas composições. O palco é depois entregue aos Dead Combo (23h00), uma das mais importantes bandas do novo panorama musical português. A noite fecha com sonoridades vindas da Hungria, com os Meszecsinka (00h30) que cantam em sete línguas (húngaro, russo, búlgaro, finlandês, inglês, árabe e castelhano), provém da Hungria e Bulgária e transportam os ouvintes para um espaço místico, onde o folk húngaro e búlgaro andam de mãos dadas com o flamenco e funky, o oriental e o experimental. O segundo día O segundo dia do festival começa cedo com os canadianos Jazzamboka (18h30). A partir das 20h sobe ao palco Caxade, projecto pessoal do galego Alonso Caxade. Música elegante, modesta e singela, marcada pelo discurso reinvidicativo, metafórico e irónico. Sérgio Godinho Cantor, compositor, escritor actor, realizador, com uma carreira artística de invejável longevidade, que se prolonga há 40 anos é o seguinte em subir ao cenário. Às 23h00 chega a vez de ouvir Omiri um dos mais originais projectos de reinvenção da música tradicional portuguesa. O festival encerra com Samba Sem Fronteiras (00h30), projeto que nasceu da iniciativa de alguns brasileiros, residentes em Portugal, que sentiam falta de encontrar o samba de raiz, feito por quem gosta e para quem aprecia. Em simultâneo com os concertos decorre a habitual Feira Tradicional que vai contar com cerca de quarenta expositores e inclui uma área de restauração, permitindo aos visitantes jantar e/ou petiscar, bem como o comércio de cerveja artesanal, licores, vinho, queijo, enchidos, sabonetes artesanais entre outros produtos manufaturados. |
NOS_13849 | Os 50 debuxos orixinais do álbum Nós, realizados por Castelao entre 1916 e 1918 e publicados en libro en 1931, veranse no Museo de Pontevedra, institución á que foron cedidos por un período de cinco anos. Ate agora só en parte se atopaban a disposición do público. Unha reforma das salas 1 e 2 do Sexto Edificio do museo permitirao. | A sala 2 contén os albums de guerra, os debuxos de negros, as cruces de pedra na Galiza e na Bretaña, óleos e acuarelas de pequeno formato e as máscaras e documentación orixinal de Os vellos non deben de namorarse. "A nosa obriga é ofrecer ao público á posibilidade de poder visitar e ver de preto esta obra que tanto tempo permaneceu fóra dos circuítos museísticos", expón o responsábel de cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal. A última vez que as ilustracións orixinais de Nós se viron en público foi en 1924. Pouco despois pederdéuselles a pista. En marzo de 2016, un equipo do Museo de Pontevedra localizounas nunha colección particular. |
NOS_49039 | Ana Pontón censura que Feiixoo "se poña a facer partidismo" e suba ao "barco á deriva que é o PP, pilotado por Casado e Ayuso" | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, rexeitou que se "converta o problema de Madrid" no de todos os territorios e, ademais de mostrar a súa apoio á veciñanza dos barrios da cidade, e pedir que se priorice a "saúde das persoas" fronte a "intereses partidistas", pediu "evitar os erros" da primeira onda de coronavirus no principio do ano, cando esta formación reclamou pechar Madrid para evitar "centrifugar" os contaxios ao resto do Estado español. A preguntas dos medios nun almorzo informativo, Pontón manifestou a súa "preocupación" por "como se está xogando coa saúde das persoas no medio dunha pandemia" e concluíu que o Consello Interterritorial de Saúde desta cuarta feira confirmou "a incompetencia dos gobernos de Madrid e central para afrontar a situación tan grave", "convertendo un problema no de todos". Neste escenario, tamén censurou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feiixoo, "se poña a facer partidismo e ao lado do barco á deriva que é o PP, pilotado por Casado e Ayuso". Fronte a iso, a líder do Bloque reclamou, como fixo antes do final do estado de alarma, "protocolos claros" para actuar, tanto para os confinamentos como o desconfinamento. "O que nos causa estupefacción neste debate, é que un problema de Madrid non se pode converter nun problema de todo o Estado", aseverou Pontón. Pontón advertiu de que Madrid se converteu nunha "centrifugadora" na primeira onda de coronavirus e tivo "consecuencias gravísimas". Así, quixo mostrar o seu "empatía" coas persoas que viven en Madrid e, por iso, pediu que "non se repitan os erros do pasado e se poñan por diante a vida das persoas e non espectáculos lamentábeis". Neste sentido, aseverou a súa "preocupación" por que non haxa un "protocolo claro" e que, por exemplo, "non haxa rastreadores, non se blindasen as residencias, non se planificase o inicio de curso e non se reforzase a sanidade". "Por que a incapacidade do Goberno central e madrileño quérese converter no problema de todos e non se atreven a tomar medidas?", preguntou. Así, a dirixente nacionalista pediu "responsabilidade" aos dirixentes políticos, porque "están a xogar coa vida das persoas no medio dunha pandemia". Ademais, a líder nacionalista rexeitou que se actúe con "frivolidade" e reclamou que "se exerzan as competencias con responsabilidade". |
NOS_26367 | A secretaria Confederal de Organización da CIG, Susana Méndez, subliña que os servizos públicos son "a única garantía para unha atención digna ás persoas de idade e ás persoas dependentes ou con diversidade funcional", debendo asumir directamente a Xunta as súas competencias. | "A crise sanitaria da Covid19 evidenciou a situación de debilidade dos servizos públicos de atención social e de coidados", di a CIG, quen "fronte ás políticas de desmantelamento e privatización promovidas polo goberno do PP na Xunta para converter estes servizos nun novo negocio a conta das persoas máis vulnerábeis" propón a creación dun "Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas", integrado por unha única rede pública que dea cobertura a todas as necesidades. A este respecto, a secretaria Confederal de Organización da CIG, Susana Méndez, subliña que os servizos públicos son "a única garantía para unha atención digna ás persoas de idade e ás persoas dependentes ou con diversidade funcional", debendo asumir directamente a Xunta as súas competencias na atención ás persoas vulnerábeis, xa sexa por idade, pola súa discapacidade ou dependencia. "Non é de recibo, e supón unha auténtica barbaridade, que os coidados e a saúde destas persoas vulnerábeis sigan gardando relación cos beneficios e flutuacións en bolsa dos fondos de investimento, multinacionais ou fondos voitre que están detrás das concesionarias destes servizos públicos", denuncia Méndez, quen considera "ineludíbel e máis necesario que nunca que a xestión destes servizos sexa pública e única en Galiza". Por iso, neste sistema integrado por unha única rede pública estarían incluídos os centros asistenciais e residenciais da terceira idade, centros de día, centros de atención á diversidade, servizos de axuda no fogar, e outro tipo de recursos como as casas niño, as casas do/a maior, o programa xantar na casa, o transporte adaptado, etc. Dotación orzamentaria e recursos suficientes Pero para garantir unha asistencia adecuada faise preciso dotar suficientemente estes servizos, tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos, e incrementar e adecuar os orzamentos públicos destinados a tal fin, así como os dirixidos á promoción da autonomía persoal e o avellentamento activo. "Por iso -engade Méndez- cómpre eliminar todo tipo de repagamento mediante a aprobación dunha carteira de servizos e prezos públicos e dignificar as condicións laborais e salariais de todo o persoal coa aplicación do mesmo convenio colectivo". De xeito complementario, a CIG reclama a transferencia para Galiza de todas as competencias e recursos públicos para desenvolver, aplicar e ampliar a Lei de Dependencia. |
PRAZA_9674 | O equipo universitario logra o seu segundo campionato ligueiro en catro anos, ao que hai que unir catro subcampionatos máis na última década. | Hai xa máis de 40 anos, un grupo de estudantes, na súa maioría da Escola de Arquitectura Técnica da Coruña, montaron un equipo de rugby para participar na Liga Universitaria masculina. O conxunto impulsado por Ignacio Lobón medrou, non sen dificultades, até situarse na elite deste deporte en España. Tanto que, na súa categoría feminina entrou xa na historia ao consolidarse entre os máis grandes ano tras ano. O seu último éxito, este pasado domingo: o segundo título de Liga tras gañar na final ao INEF L'Hospitalet (31-15). O CRAT obtén o seu segundo título de Liga tras o de 2015 e logo dos subcampionatos de 2011, 2012, 2014 e 2017O Club Rugby Arquitectura Técnica Universidade da Coruña (CRAT) acadou a súa segunda Liga e volveu situar o deporte feminino galego no máis alto logo do título acadado en 2015 e os subcampionatos de 2011, 2012, 2014 e 2017. Case unha década de éxitos que comezaron con outro campionato de España, o de rugby a 7 obtido hai oito anos. Precisamente, e nesa disciplina, o conxunto galego achegou dúas xogadoras á selección española que disputou os últimos Xogos Olímpicos: Paula Medìn e Vanessa Rial. Na tradicional do rugby XV, outra galega do equipo universitario, Mónica Castelo, loitará este vindeiro sábado por proclamarse campioa de Europa ante Escocia. O CRAT feminino, xa con equipo filial, aséntase na elite, consolida a súa regularidade e vai dando paso a novas xogadoras. Desta vez, o equipo alzou o título malia rematar terceiro na liga regular e comezar o campionato con tres derrotas consecutivas. A partir de aí, dez vitorias e só dous partidos perdidos para acabar superando o Complutense Cisneros na semifinal e ao INEF L'Hospitalet no último e definitivo partido deste domingo. Un triunfo que, con todo, trouxo durante o partido vellas pantasmas. En 2017, o CRAT perdeu a final contra o Olímpico Pozuelo por un punto (21-22) logo de ir gañando 21-5 durante boa parte do partido, resultado co que este domingo contaban tamén as galegas e que se viu reducido en pouco tempo a un 21-15. A reacción do equipo coruñés foi, desta vez, rápida para volver conseguir un ensaio que deu a tranquilidade necesaria para confirmar a superioridade amosada durante o encontro. Outro título dun equipo que ten o equipo masculino loitando polos primeiros postos na segunda categoría estatal, ao filial feminino liderando a Liga Galega e ao segundo equipo de homes na terceira posición. E unha base con centos de nenos e nenas que garanten o futuro do club. O CRAT segue o ronsel que na Coruña marcaron outros históricos equipos femininos tamén campións das súas ligas: o Medina, o Santa Lucía, o Sal Lence e o Karbo DeportivoO CRAT segue agora o ronsel que na mesma cidade iniciaron equipos femininos como o Medina de baloncesto Santa Lucía de hóckey sala, o Sal Lence de fútbol sala ou o Karbo Deportivo de fútbol, todos eles gañadores tamén da máxima competición do seu deporte. Precisamente, no vindeiro fin de semana, as rapazas do Deportivo poden proclamarse campións do seu grupo de Segunda División e loitarán por ascender á división de honra que supón Liga Iberdrola.O CRAT faino, ademais, malia as dificultades históricas pola ausencia de instalacións deportivas axeitadas e dispoñibles na Coruña, cunha importante cantidade de clubs e practicantes de variadas disciplinas. O club universitario, cunhas 300 licenzas, carece dun campo propio de rugby. Máis mérito aínda. |
NOS_7949 | A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) presentou propostas aos Fondos Europeos Next Generation, por un importe total de 46.160.510 euros | A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) presentou, dentro do proceso de participación pública e a través da Consellaría de Cultura, Educación e Universidades, catro proxectos para os Fondos Europeos Next Generation, por un importe total de 46.160.510 euros. A liña dos proxectos enmárcase, segundo explican nun comunicado, "nun cadro estratéxico para a defensa, a conservación e a divulgación do rural máis despoboado, ademais de pór en valor elementos descoñecidos pola cidadanía e outros que non tiñan un marco específico de coñecemento". Apatrigal advirte: As consecuencias dos eólicos poden ser peores que as dos encoros Comprenden bens do patrimonio cultural material e e impulsan a creación de vivenda pública e modelos turísticos alternativos ao convencional, todo asociado ao mantemento da agricultura de proximidade e ao coidado e vixilancia do patrimonio etnográfico. Inventario, lista vermella e recuperación Apatrigal propón crear un inventario patrimonial global, accesíbel desde dispositivos electrónicos por parte da poboación, en varias linguas. Noutra das propostas, aposta pola creación dunha Lista vermella galega de bens en perigo, tras a análise dun comité científico. Con posterioridade aconsellan realizar distintos parámetros de actuación, con preferencia nos concellos con reto demográfico por falta de poboación. Apatrigal denuncia o deterioro do terceiro hórreo máis grande da Galiza Outra das iniciativas propón recuperar corenta casas reitorais abandonadas para vivenda social e dez mosteiros na mesma situación para uso cultural, ademais de crear un museo territorial do patrimonio ao aire libre. Por último, suxiren realizar o inventario, diagnóstico, divulgación, conservación e restauración de elementos patrimoniais que até a data non están contidos en ningún documento. |
PRAZA_2119 | O Consello Económico e Social publicou este mércores o seu ditame sobre a norma proposta polo Goberno galego. Aínda que atopa moitos elementos positivos, critica a "elevada indeterminación" en moitos aspectos do texto, que pode provocar "arbitrariedade" e "inseguridade xurídica". | O Consello Económico e Social emitu este mércores o seu ditame referente ao Anteproxecto da Lei do Solo de Galicia. O órgano presidido por Corina Porro recibiu en xullo a encomenda de analizar e pronunciarse sobre a nova norma, redactada polo Goberno galego e que debe ser aprobada polo Parlamento. O ditame recoñece que a lei proposta "contén aspectos positivos", mais tamén "outros mellorables que dificultan a súa valoración de conxunto". O CES valora como positiva "a introdución dun plan básico autonómico" que proporciona "un instrumento útil de planeamento" aos concellos pequenos Entre os positivos, o CES destaca "a reorientación do modelo de desenvolvemento, dende un baseado no crecemento cara a outro máis sustentable, orientado ao fomento da rehabilitación, renovación e rexeneración urbana" e "a introdución dun plan básico autonómico, que proporciona un instrumento útil de planeamento aos municipios cuxo reducido tamaño limita severamente a dispoñibilidade de recursos para o desenvolvemento de plans propios". O ditame critica que a "elevada indeterminación nalgúns dos conceptos e termos empregados" podería "crear inseguridade xurídica ou derivar en situacións de arbitrariedade" Porén, o ditame advirte dun bo número de eivas, que se poden resumir na "elevada indeterminación nalgúns dos conceptos e termos empregados, o que podería crear inseguridade xurídica ou derivar en situacións de arbitrariedade". Máis en concreto, a análise fai fincapé en que a pesar de que a lei declara apostar pola "protección territorial, en particular pola defensa e respecto do solo rústico como solo produtivo e útil", isto "non ten o seu reflexo no articulado, xa que deixa boa parte da regulación sobre a materia a expensas de instrumentos de desenvolvemento". O CES conclúe que "isto supón unha rebaixa no grao legal de protección do solo rústico respecto da anterior normativa" e recomenda a elaboración inmediata "dos catálogos e plans sectoriais pendentes dada a inseguridade xurídica que a súa ausencia xenera". Na súa fase de redacción, o deputado de AGE Antón Sánchez criticara "a liberalización, degradación, desprotección e desvalorización do solo rústico, tamén e moi especialmente do protexido" que ao seu xuízo caracteriza a norma. O CES considera que "o solo rústico de especial protección aparece definido con menor precisión que na lei actual" O ditame do CES considera que "o solo rústico de especial protección aparece definido con menor precisión que na lei actual" e afirma que "á hora de definir o solo rústico de protección agropecuaria debe acudirse máis á actividade existente que ao concepto de alta produtividade". O texto reclama unha definición específica de solo rústico e sinala que "a devandita definición debe facer referencia explícita aos terreos que veñen dedicándose ás actividades agrícolas, gandeiras, forestais e cinexéticas, entre outras, como actividades máis relevantes no solo rústico". Outros aspectos, tamén cuestionados "Nalgúns ámbitos urbanísticos apréciase unha notable diverxencia entre as normas aplicables e as prácticas xeneralizadas" O ditame salienta, así mesmo, que "nalgúns ámbitos urbanísticos apréciase unha notable diverxencia entre as normas aplicables e as prácticas xeneralizadas, o cal introduce elementos de aleatoriedade que poden conducir a situacións de arbitrariedade na aplicación dos procedementos de disciplina urbanística". O informe foi aprobado cun voto particular, correspondente á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), en desacordo cunha apreciación que o ditame realiza sobre reservas de solo para a vivenda pública e protexida. O texto critica que cando a Anteproxecto da Lei do Solo introduce excepcionalidades nas porcentaxes de reserva total para vivenda protexida, estas excepcións "non deberían basearse unicamente nun criterio de natureza estatística (inscritos no rexistro único de demandantes de vivenda)", dado que isto "pode contribuír a que a excepción poida converterse na regra xeral". Para os empresarios, "non é conveniente seguir esixindo porcentaxes de reserva para vivenda de protección oficial" A CEG non concorda con esta crítica e afirma que "nunha gran maioría dos concellos de Galicia hai vivenda libre xa construída por prezos inferiores aos da vivenda protexida, o que permite sinalar que non é conveniente seguir esixindo porcentaxes de reserva para vivenda de protección oficial". Os empresarios defenden que "a porcentaxe de reserva de solo para vivenda suxeita a algún réxime de protección pública" debe adaptarse "á demanda real" en base "aos datos do Rexistro Unico de Demandantes de Vivenda Protexida" Ditame do Consello Económico e Social sobre a Lei do Solo (.pdf) |
NOS_20589 | O sindicato nacionalista afirma que implicará perda de poder adquisitivo para os 8.000 traballadores do sector en Galiza. | Os sindicatos CCOO e UXT acadaron un preacordo de convenio colectivo coa patronal dos centros de chamada, un sector no que en Galiza traballan por volta de 8.000 persoas. CIG, sindicato maioritario nos 'call center' do noso país, rexeita ese preacordo por entender que o mesmo afonda na flexibilidade laboral e implicará unha perda de poder adquisitivo para os traballadores, ente outras cuestións. "Non avanza na estabilidade no emprego e dá un maior poder para as empresa en materias tan sensíbeis como os horarios", sinala o sindicato nacionalista nun comunicado. CIG lamenta que se venda como avances dese preacordo medidas como a conversión en indefinidos dos contratos anteriores ao 18 de xuño de 2010. Algo que apenas afecta Galiza pois non hai traballadores nesa situación, indica o sindicato. Ademais a CIG denuncia que o preacordo permite un 50% de contratos temporais e a utilización de ETT, polo que non se pon freo á temporalidade. O texto prevé a creación de máis quendas, o que para a central sindical implicará maior flexibilidade a favor das empresas. Ademais isto, xunto ao feito de que se habilite ás empresas para cambiar as quendas do 20% do persoal cunha semana de antelación e que os horarios sexa rotativos, dificultará máis a conciliación. Porén si que se considera positiva a redución dos días que se poden traballar sen descanso, que pasan de 11 a 8. |
NOS_6943 | Os outros dous pacientes que continúan hospitalizados están xa "recuperándose" en planta. | Continúan hospitalizados no Hospital Clínico de Santiago de Compostela tres traballadores feridos polo derrubamento do escenario principal do festival O Son do Camiño, que se produciu esta sexta feira contra as 13 horas, durante as tarefas de montaxe no Monte do Gozo da capital galega. Segundo confirmaron fontes da Administración galega a Europa Press, non se produciron mudanzas no prognóstico dos ingresados nas últimas horas. O operario en UCI, con prognóstico grave, mantense estábel, mentres os outros dous pacientes están en planta "recuperándose". Outros tres feridos xa foron dados de alta. Este sábado o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, sinalaba que o traballador que se atopa en estado grave "aparentemente caeu desde arriba", mentres que os outros tiveron lesións após caerlles enriba o escenario. Accidente no Son do Camiño: que sabemos do derrubamento do escenario do festival compostelán? A respecto das causas do accidente laboral, o director xeral pediu agardar polos informes de Inspección de Traballo e do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), así como do informe da Policía Nacional, que xa foron trasladados ao xuíz. Villanueva instou así a evitar "elucubracións" sobre o que puido acontecer e remitiu a esa investigación que agora se está a producir. A organización do festival informou de que terá lugar nas datas previstas, os días 16, 17 e 18 de xuño, isto é, a vindeira semana. |
NOS_15810 | Autoriza a agrupación de axentes para reducir a produción activando, por vez primeira, o artigo 22 da Organización Común do Mercado (OMC). | Esta segunda feira (14 de marzo) o comisario de Agricultura e desenvolvemento rural da UE, o irlandés Phil Hogan, anunciou o pacote de medidas que as autoridades comunitarias están dispostas a adoptar no marco da crise que atinxe o sector lácteo após a desaparición das cotas en 2015. Embora o Estado español, através da ministra de Agricultura, e Franza entre outros estados membros defendían un aumento do prezo de intervención pública, a Comisión rexeitou taxativamente esta idea. En troca, aceptou que se multiplique por dous a compra de leite desnatado en pó e manteiga até 280 mil e 100 mil toneladas, ora ben, a prezo fixo. A UE permitirá que explotacións e cooperativas se unan para reducir as súas producións Entretanto, Phil Hogan anunciou que activarán por vez primeira o artigo 22 da Organización Común do Mercado (OCM) para pemitir que as explotacións e outros axentes poidan organizarse e reducir a produción perante o incremento do 2,5% en 2015 após a supresión das cotas. De facto, a Comisión europea deixa en mans d@s gandeir@s a xestión da crise e a activación deste mecanismo unicamente tería un carácter "temporal". Desde as organizacións sindicais critican a decisión que coidan "decepcionante" e aseguran que a redución da produción debería estar "encabezada" polos propios estados membros. "Néganse a regular e din regulade vós", asegurou Xabier Gómez Santiso desde o Sindicato Labrego Galego. As organizacións achan o pacote de medidas "decepcionante" Pola súa banda, Javier Iglesias de Unións Agrarias coida que a medida é "interesante" mais que debería estar liderada polos propios gobernos de maneira coordenada e con "incentivos públicos". Do contrario, subliña, "poderíase estar a provocar incentivar as desigualdades produción-consumo". "O que fai falta", acrecentan desde o SLG, "é que se lexisle, para ter todos a mesma lei porque, se non, estamos perdidos". O pacote de medidas anunciado pola Comisión abrangue tamén a posibilidade de que sexan concedidas axudas á produción até un máximo de 15 mil euros anuais por explotación. Porén, esta opción aínda podería demorarse sete meses. |
NOS_4884 | A Federación Rural Galega (Fruga) lanza un chamamento á poboación do medio rural a secundar o paro convocado polas centrais sindicais o vindeiro 14N. | O deterioro dos servizos públicos no rural galego estase a notar con máis dureza que en calquera outra zona do país. Peche de escolas e centros de saúde ou desatención das persoas idosas exemplifican a situación. É por iso que a Fruga chama á poboación rural a secundar a xornada de folga xeral convocada na Galiza para o vindeiro 14 de novembro. A organización agraria expresa o seu apoio á xornada de loita que se desenvolverá tamén en Portugal, Italia, o Estado español, Bélxica e Chipre, e ás mobilizacións que nese día se desenvolvan polas rúas do noso país dando así, na procura "dunha resposta masiva contra as políticas de recortes e demandar outras políticas económicas que procuren a reactivación da economía". Sinala ao rural deste país como un dos principais coñecedores das consecuencias derivadas da crise económica e das políticas aprobadas polos goberno galego e español –orientadas a beneficiaren e salvagardaren os intereses da banca e o capital financeiro, en troca de protexeren ás maiorías sociais-, ademais dos problemas estruturais do sector agrogandeiro e lácteo, polo que entenden que o 14N tamén está en cuestión a defensa dos seus dereitos. |
NOS_26093 | Vinte e catro meses en pé leva a veciñanza de O Pino e Touro contra o proxecto mineiro de extracción de cobre anunciado en 25 de agosto de 2017 no Diario Oficial da Galiza. Desde entón puxéronse en marcha diversas accións en defensa do medio e da poboación, desde manifestacións e roteiros reivindicativos a iniciativas parlamentares, recollidas de sinaturas, elaboración de informes e estudos e apresentación de denuncias. | Tal día como hoxe, hai dous anos, o DOG anunciaba a reapertura dunha mina para a extracción de cobre nos concellos de Touro e O Pino. Esta data quedou marcada no calendario para a veciñanza, xa que supuxo o inicio dunha gran labor de oposición a este proxecto e a outros moitos que foron xurdindo, e que colleu o legado da reivindicación social contra o proxecto mineiro de Corcoesto e outros, máis distantes no tempo, como o das Encrobas. Así o lembran desde a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, ao tempo que fan fincapé en que a Xunta de Galiza aínda non emitiu a resolución ao proxecto. Desde a plataforma lembran que seguirán adiante na loita contra "esta desfeita na nosa terra". Desde hai dous anos puxeron en marcha diversas accións en defensa do medio e da poboación, desde manifestacións masivas como a decorrida en febreiro deste ano, roteiros reivindicativos, iniciativas parlamentares, recollidas de sinaturas, elaboración de informes e estudos e apresentación de denuncias. O pasado mes de xuño, a plataforma veciñal xunto co movemento Contraminacción convidaron o doutor Steven Emerman a Compostela para apresentar o seu estudo sobre os perigos que entraña para o medio e a poboación o proxecto mineiro en Touro. O reputado profesor da universidade estadounidense de Utah Valley alertou dos impactos sobre o medio e a veciñanza da construción dunha balsa como a proxectada nesta zona, augas arriba, gardando menos de 200 metros de distancia respecto da poboación máis achegada, algo que sería ilegal en moitos países do mundo. A presa en Touro describiuna para Emerman como "unha loucura" porque supón que, de producirse unha falla na presa, sería imposíbel realizar ningún rescate da poboación, "non se chegaría a tempo", alertou. De feito, en xaneiro deste ano produciuse no Brasil unha fenda nunha presa augas arriba dunha poboación provocou unha catástrofe humanitaria. Xurdiu deste tráxico suceso un novo concepto coñecido como "zona de propio salvamento", é dicir, a distancia respecto á balsa augas arriba na que ningún rescate é posíbel (10 quilómetros) e, por tanto, cada persoa tería que tentar salvarse por si mesma. Con motivo deste "aniversario amargo", desde o movemento contra a mina difunden un escrito composto para a ocasión pola poeta Emma Pedreira que a continuación reproducimos: O silencio. O bruído. O máis perigoso de todo é que aquí circule o silencio, dicían as casas cando aínda estaban vivas, animais nas cortes, crianzas estrando de berros a eira dos trevos, gatos nos valos. O río, os seus regatos, as árbores mancadas polo machado ou polo lume, todo sentenciou que a música do veleno era o propio silencio. Por iso mantemos aceso o bruído. Por iso gabeamos ás pólas máis altas. Desde aí vese a cortiza furada da terra, aínda pode escoitarse o zunido das abellas e percorrer coa lingua unha lene carcasa vexetal. Desde aquí arriba, desde o que non ardeu en setecentos días, aínda todo parece de verdade. Que a herba tupe e tapa a ferida. Que os animais pacen. Que hai unha tranquila lingua de río que transcorre sen máis mácula que o chapuzar das follas e dos insectos. Desde aquí arriba, casa nas árbores, xogamos a recuperar unha infancia que xa estaba mancada. E o bruído. O bruído que non pare. Que faga porta para o deserto. Que prenda de aquí a aló como as paxaras na alta tensión, de cable a cable, como a roupa limpa na trandeira. Que prenda. Que nos caia da boca ata facerse cousa de andar á rolda rezando por nós. O bruído debe ser estertor animal e non touro manso. Debe ser máis alto que as copas e refregar contra a nube para ceibala. Rabuñar no ceo da boca e visitarnos o padal, para sacarnos deste veleno. Balbordo. De zunido ínfimo, o silencio debe pasar a ser boureo. Rebumbio de corazóns chocando pedra con pedra, como para facer lume. Que retombe. Que traspase. Que nos fure polo calcañar e saia pola tempa esquerda, como un lóstrego inverso. Que nos parta. Que nos fenda. Que non nos deixe, de ningunha maneira, intactas. Porque o máis perigoso é o silencio. O que fai que o monte arda é o silencio dos alacráns que non correron á fonte. As bocas mortas que non berraron, os ollos que se dixeron cegos e amaron o fume día tras día. O que fai que o río prenda de lama e ferruxe é o calar á mantenta e ir furando cunha lingua xorda de níquel. O que fai que rompa a pel primixenia da tribu é o nada sobre os nosos nomes. O silencio, que ningúen nos pronuncie, que ninguén diga máis alto de si: esta miña pel é un trazado de ríos, UllaLañasPortapego, e non quero que o veleno me esconxure o sangue e mo leve prendido a un encoro de desilusión pegañenta onde se me mete o mar polas uñas e me arrastra ás balsas da desidia. Entre as valvas da boca, un berro salgado e non ese sabor a herba queimada, a oxidación sulfúrica, o pouso lamacento que leva no tútano cada osiño do silencio. Setecentos e máis días de bruído en pólvora de gorxa. A queimar." Emma Pedreira, agosto 2019 |
NOS_22861 | Movemento Galego da Saúde Mental enmarca o suicidio dunha paciente e a denuncia dunha agresión sexual por parte doutra, ambas ingresadas na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Médico-Cirúrxico de Conxo no deterioro progresivo no que se atopaba a atención á saúde mental en Galicia. | O Movemento Galego da Saúde Mental chamaba na súa primeira a atención sobre o que consideraba que era un "deterioro progresivo no que se atopaba a atención á saúde mental en Galiza". Os recortes sanitarios e unha xestión sen planificación e obstaculizadora da participación dos profesionais eran sinaladas como algunhas das causas dese deterioro. Un deterioro que "compromete a calidade asistencial e a seguridade dos pacientes" O MGSM afirma que uns acontecementos que decorreron na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Médico Cirúrxico de Conxo (Santiago de Compostela) "materializaron desgraciadamente estes prognósticos". O falecemento dunha paciente por suicidio e a denuncia, uns días antes, dunha agresión sexual por parte doutra paciente (ámbalas dúas ingresadas nesa Unidade) "son cuestións de indubidable gravidade que han de entenderse no marco do deterioro antes salientado", sostén o Movemento. Para o MGSM déronse "intolerables carencias na garantía de seguridade das persoas cando reciben atención sanitaria". "Cómpre recordar que hai tempo que se vén denunciando publicamente desde diferentes instancias a escasa dotación desa Unidade, a frecuente retirada do persoal de Enfermería da mesma para cubrir necesidades doutros servizos do mesmo hospital (tamén debilitados polos recortes de persoal), a escasa actividade dos pacientes ingresados, a carencia de Terapeuta Ocupacional no equipo, a falta de medios para a coordinación e elaboración de plans terapéuticos nos que participen e se coordinen todos os profesionais, e a repetición de agresións ó persoal. Pola contra, por quen ten a obriga de dirección e xestión, nada se fixo ante estas carencias e advertencias para corrixir o arriscado rumbo que se estaba a seguir". |
NOS_13451 | A posíbel creación dunha rede de compañías residentes nas principais cidades e vilas do país é un dos vellos debates que, de forma recorrente, se reactivan na escena teatral galega. O I Congreso Internacional do Teatro Galego voltou a pór enriba da mesa esta cuestión, arredor da que non existen no sector opinións unánimes. Alén dos problemas formulados pola falta de compromiso orzamentario por parte das administracións, algunhas voces apuntan a outros modelos, de tipo mixto, asentados noutras maneiras de entender a profesionalización dos axentes implicados. | "Cando asistín en Quebec a unha representación teatral no Grand Theatre de Québec, puiden comprobar que o nivel de produción e de execución podería cualificarse como similar a calquera produción de éxito do noso Teatro Nacional. Mais a diferenza viña dada por certo espírito de 'orgullo polo propio', que existía no espazo, considerado como un dos escaparates do teatro de Québec. Ese espírito que se observaba no espazo fíxome reflexionar sobre a falta dese orgullo polo noso na Galiza, do que mesmo participa o sector, sempre en exceso crítico con todo o que acontece a nivel escénico e cultural na Galiza. Mais se investigas un pouco no nacemento do Grande Theatre de Québec decátaste de que naceu pola vontade política de levantar un espazo onde reafirmar a súa identidade cultural". Esta foi unha das reflexións que a directora teatral, vicedirectora de Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) e ex directora do Centro Dramático Galego (CDG), Cristina Domínguez, achegou na súa intervención no I Congreso Internacional do Teatro Galego organizado pola Academia Galega de Teatro. Este encontro serviu, entre outras cuestións, para volver pór enriba da mesa un xa vello debate, o dos modelos de apoio público ao teatro que poderían aplicarse na Galiza para dotar o sistema dunhas estruturas máis firmes e menos vulnerábeis a crises como a actual. No Congreso analizáronse os modelos portugués, alemán, francés, anglosaxón, italiano ou varios americanos mais, tal como lembrou Guillem-Jordi Graells, do Institut del Teatre de Barcelona, ningún deles é transportábel "a outros contextos e tradicións", senón que só poden tomarse como referencia para adaptar quizais algúns dos seus elementos. Ao respecto, o director da Mostra de Teatro Español de Autores Contemporáneos de Alicante, Guillermo Heras, subliñou que xa antes do coronavirus se producira un "esgotamento", no Estado español, duns modelos de apoio ás artes escénicas que, en calquera caso, podían nin merecer tal nome, xa que falar de modelo implica un "pensamento" e unha "estruturación" ausentes neste contexto. Cristina Domínguez fixera referencia ás dúas sociedades estatais dependentes do ministro de Cultura do Québec, o Conseil des Arts et des Lettres du Québec e a Societé de Développement des Industries Culturelles. O primeiro apoia toda a creación artística do país, cun modelo de subvencións a artistas e a organizacións artísticas sen ánimo de lucro, mentres que a segunda encárgase, en exclusiva, das industrias culturais. "Podemos imaxinar algo similar nunha comunidade como a nosa, tamén cunha forte identidade cultural propia aínda que economicamente menos desenvolvida que o Québec e cun territorio menor", reflexionou Domínguez. Mais, no debate posterior ao seu relatorio, amosouse de acordo co profesor Carlos Biscaínho, que apuntou que calquera posíbel imitación do modelo do Québec pasaría por superar "un marco de pensamento colonizado". Domínguez comentou que o Gran Teatro de Québec contribuíra a devolver o orgullo de país a unha comunidade na que o uso do francés fora unha vergoña. Mais —indicou— "houbo unha vontade política e o país mudou". Vontade sen a cal, como subliñan tanto desde a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas Escena Galega como desde a Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG), consultadas por Sermos Galiza, pouco ou nada pode facerse. "Podemos falar do modelo francés, ou do do Quebec, ou do catalán, ou do andaluz, que están moi ben. Pero ao final é unha cuestión económica: se en Catalunya teñen 50 millóns de orzamento, aquí temos 500.000 euros. E a realidade é que estamos máis perto do que pasou en Andalucía: do desmantelamento. Na nosa asociación contamos con diferentes sensibilidades sobre cal podería ser o modelo de apoio ao teatro. Mais a nosa prioridade é sobrevivir, pelexar para que non desmonten o que temos", explica Xosé Barato, vocal da AAAG. O presidente de Escena Galega, Juan Rodríguez, conflúe con Xosé Barato ao sinalar que a estrutura teatral galega é o suficientemente diversa para que sexa desexábel que convivan diferentes tipos de apoio público ás artes escénicas, "non só as compañías residentes", mais a cuestión fundamental, asegura, é a actual "falta de compromiso económico" por parte das administracións. Con orzamentos máis grandes, cunha rede de teatros e auditorios mellor dotada para que puidesen facerse "moita máis programación", indica, o problema da precariedade do sector podería ser moito menor. Rodríguez fai, así, referencia a outro dos vellos debates da escena teatral galega: a posibilidade da creación de compañías residentes en teatros públicos. No seu libro El teatro vacío. Manual de política teatral, o actual director da ESAD, Manuel Vieites, explica o modelo de compañías residentes como "unha estrutura teatral permanente que ofrece unha programación estábel para toda a cidade, o que implica para todos os seus públicos, o que implica tamén a idea de repertorio", distinguindo o sistema de compañías residentes das residencias de creación ou técnicas, que supoñen a permanencia, durante un tempo limitado, dunha compañía nun teatro para desenvolver un proxecto concreto. OI Congreso Internacional do Teatro Galego, que ía ter lugar en marzo, foi adiado por causa da pandemia da Covid-19 e tivo un duplo obxectivo: por unha banda trataron de "analizar o pasado e o presente do teatro galego a través de comunicacións, mesas redondas e sesións plenarias desde unha perspectiva académica que contribúa a un mellor coñecemento do sistema teatral da Galiza" Este último é o sistema preferido por unha compañía galega de relevancia internacional como é Voadora, que creou varios dos seus espectáculos en residencias de creación en Portugal. "Nós nunca quixemos ter un espazo estábel, nin de ensaio nin como compañía residente, pois cada proxecto que facemos é distinto do anterior e esixe unha mobilidade", indica José Díaz, o produtor desta compañía. Mais a creación dunha rede de compañías residentes sería algo diferente a estas residencias creativas temporais. Consistiría, a grandes trazos, na cesión, por concurso público, de espazos de titularidade pública a compañías teatrais para que os xestionasen como centros de creación e difusión. O director de Teatro do Noroeste e vicepresidente da Academia Galega de Teatro, Eduardo Alonso, defende este modelo para Galiza. Trataríase, segundo aclara, de utilizar "espazos de titularidade pública, como teatros, auditorios e casas da cultura, nas cidades e vilas máis importantes", como lugares de creación e distribución "de varias compañías, que non ten que ser só unha, que fagan unha programación pensando na veciñanza do lugar". Sería un sistema rotatorio, no que cada compañía beneficiaria da cesión desenvolvería un proxecto plurianual e que non excluiría a actual itinerancia. Os modelos europeos Guillem-Jordi Graells explicou no I Congreso de Teatro Galego os modelos europeos nos que se basea esta proposta das compañías residentes. No modelo alemán —resume Graells— as competencias culturais están non nas mans do Estado federal, senón de cada un dos länder ou Estados federados. Existen máis de 100 teatros públicos que desenvolven a súa actividade en máis de 250 localidades e moitos deles teñen máis dunha sede regular. Uns teatros dependen do land, dispoñen dunha sede e poden actuar en varias localidades próximas. Outros teatros dependen dos concellos, aínda que tamén reciben achegas económicas do land, e tamén existen os Teatros Mancomunados ou Rurais, en zonas de baixa densidade poboacional, que actúan por todo o seu ámbito territorial moito máis que na súa sede central. Á fronte de cada teatro, que programa tamén danza, ópera ou música, hai un intendente que actúa como xestor e traballa co departamento de dramaturxia, responsábel de marcar a liña artística da entidade. A maioría destas entidades teatrais funcionan, ademais, en base a compañías estábeis que son renovadas parcialmente cada temporada. Realízase, así, unha programación de repertorio, de modo que hai producións que se manteñen durante anos en cartel, mentres outras desaparecen antes, en función da resposta do público. A compañía galega de teatro Vadora desenvolveu varios dos seus espectáculos en residencias de creación en Portugal. No modelo anglosaxón son os Arts Councils —un para Inglaterra, outro para Gales, outro para Escocia e outro para Irlanda do Norte— os que se encargan do apoio á cultura, aínda que, aclara Graells, "se ben os seus membros son nomeados polos gobernos respectivos, non son, en absoluto, polo xeral, correas de transmisión dos partidos que os propoñen". Os Art Councils teñen dous departamentos, un de teatro que xestiona as axudas económicas, e o rexional, que xestiona as subvencións a asociacións ou apoia as xiras dos espectáculos para garantir a súa presenza extensiva no territorio. A estrutura dos Council reprodúcese a nivel de rexións e concellos, con dinámicas colaborativas entre eles e baixo a supervisión dos Art Councils. Mais a actividade teatral é desenvolvida por unha multiplicidade de iniciativas privadas entre as que se atopan as asociacións civís. Non existen, de feito, Teatros Nacionais nin Centros Dramáticos, aínda que se denominen Royal, pois son en realidade entidades privadas dotadas de entidade xurídica propia que reciben substanciosas achegas públicas complementadas cos recursos procedentes dos mecenados ou de billeteiras de grande volume de recadación. Sistemas mixtos Na Galiza ensaiouse brevemente en Ourense, Narón e Cangas, co apoio da Consellaría de Cultura do Goberno compartido por BNG e PSdeG-PSOE na Xunta e até a volta do PPdeG, un modelo mixto que se achegaba nalgúns aspectos ao das compañías residentes, coa permanencia de compañías de teatro locais en espazos de titularidade pública. Chévere, a única compañía galega até agora gañadora do Premio Nacional de Teatro do Ministerio de Cultura, desenvolveu unha experiencia en Teo, tamén efémera, con puntos en común con este modelo. "Temos un modelo de subvencións que uniformiza moito o tipo de axentes que poden concorrer. Temos que ser todos empresas cortadas polo mesmo patrón. E iso impide que cadaquén poida adoptar a maneira de funcionar que pode ser máis axeitada en cada caso. Que pode ser unha compañía estábel, un produtor que contrata un equipo para un proxecto, unha estrutura non empresarial…", reflexiona Xesús Ron, director de Chévere. Canto ao sistema de compañías residentes, tal como foi proposto no I Congreso do Teatro Galego, parécelle "unha aspiración inalcanzábel" dado o actual grao de compromiso orzamentario das administracións públicas. Mais apunta a que si poderían tirarse aprendizaxes de "prácticas de resistencia" como a desenvolvida en Teo, cun elevado grao de adaptación á realidade social local, tendo en conta a estrutura territorial galega. Tamén o director do CDG, Fran Núñez, apunta en concordancia con Xesús Ron que calquera posíbel modelo, "independentemente de se debe estar asentado en compañías residentes, en residencias ou en itinerancia, debera atender a organización do noso territorio. Alén das sete cidades, a cultura na Galiza pasa polas cabeceiras de comarca. A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) está asentada neses pequenos polos culturais comarcais e desde o CDG a nosa idea é potencialos estabelecendo pontes e sinerxías coas entidades locais para promover a investigación escénica, as residencias artísticas e a creación de públicos. O territorio non é uniforme e polo tanto as solucións non poden ser unívocas". Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía da Coruña e responsábel da comisión de ballet, danza e artes do movemento da rede española de teatros e auditorios, comenta pola súa banda sobre o sistema de compañías residentes que lle parecería ben "se se fai en espazos infrautilizados" e segundo os principios de "concorrencia, transparencia, igualdade de oportunidades e non discriminación". Apunta, tamén, que no canto da "política de crear cada ano un espectáculo novo", podería buscarse para as compañías unha maior sustentabilidade cun modelo de distribución máis a longo prazo que garantise un amortizamento maior do investimento realizado en produción, de modo que se evite unha "hiperprodución" dificilmente asumíbel pola RGTA. O terceiro sector O director da Mostra de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual, coordinou con Carlos Aladro unha comisión de traballo sobre o terceiro sector no ámbito das artes escénicas posta en marcha polo Ministerio de Cultura a través do Inaem. "Copiar un modelo como o anglosaxón, asentado nunha tradición teatral moi desenvolvida, é inviábel", afirma. Mais si sería posíbel buscar un modelo mixto, máis "sustentábel", que dese entrada no sistema ao terceiro sector —a iniciativas asociativas con vocación profesional—. Pois desde a Transición, reflexiona, obrigouse as compañías de teatro independente a someterse a un "modelo liberal" rexido basicamente por criterios cuantitativos, facéndolles transformarse en empresas para poder concorrer ás axudas públicas. Na Galiza ensaiouse brevemente en Ourense, Narón e Cangas un modelo mixto que se achegaba nalgúns aspectos ao das compañías residentes Pascual coincide, así, con Xesús Ron na súa proposta dun modelo alternativo á uniformización dos modos de profesionalización das compañías. Tamén en consonancia con eles, o xestor cultural e técnico de Cultura do concello de Ferrol, Marcos Lorenzo, indica que se trataría "de construír a casa desde abaixo. Delimitar ben que fai o sector público e o privado, facer un traballo sociocultural de creación de públicos e fomento dos novos talentos, apoiando as compañías novas para que poidan ter un estatuto profesional. A partir de aí xa se podería falar, nun chanzo superior, de residencias, despois de grandes compañías...", cunha estrutura máis diversa e sustentada nun maior apoio do público teatral. No Congreso do Teatro, a profesora e investigadora teatral Inma López Silva engadiu, ao respecto, que "as políticas teatrais galegas desde 1984 tenderon a fixarse no fomento e protección do sector produtivo, en boa medida porque se cría que a existencia da oferta desenvolvería a demanda. Durante os primeiros anos, efectivamente, o mercado foi xerando un público, que, precario como se ve nos indicadores, non conseguiu substituír a intervención estatal no sostemento económico do sistema teatral. Por iso, cando chega o peor momento da crise económica, arredor de 2011, e ante a creba do financiamento do sector público derivada daquela situación, o teatro galego carece dun hábito de consumo o suficientemente desenvolvido como para sosterse". A Administración reduciu entón o orzamento dedicado a artes escénicas aproximadamente o 74%, de modo que as consecuencias desa fraxilidade así xerada chegaron até hoxe. Non hai, ante este contexto, fórmulas perfectas, mais si diversidade de ideas sobre como orientar o apoio público ao teatro. |
PRAZA_1850 | Centos de tractores saen ás estradas nunha nova e masiva manifestación dos gandeiros, apoiados polo comercio local da zona, que reclaman medidas "inmediatas" que aseguren uns prezos xustos para as explotacións galegas. | Os gandeiros volveron saír ás estradas, desta vez en Arzúa, nunha enorme tractorada que percorreu a localidade reclamando unha solución para a importante crise que sofre o sector lácteo e prezos xustos para o leite galego, que ve como a maioría dos seus produtores afrontan o pagamento de importes abusivos ou por debaixo do prezo de custo. Logo da exitosa manifestación do 17 de xullo en Compostela e das importantes mobilizacións en Santa Comba ou Chantada, a localidade arzuá acolleu este luns centos de tractores de toda a comarca e apoiou co peche maioritario dos seus comercios a loita das granxas galegas. "Revolución gandeira", podíase ler nun dos vehículos. Centos de tractores percorreron as rúas e estradas de Arzúa nunha importante mobilización apoiada polo comercio local, que pechou as portas Nos seus tractores, con pancartas e familias enteiras con carteis improvisados reclamaron "prezos xustos para todos", unha solución ante a "pasividade" das administracións central e autonómica e medidas concretas como as que se deron en Francia, onde un acordo impulsado polo Executivo fixou un prezo mínimo para o leite. Mentres, en Galicia uns tres mileiros de granxas están a cobrar por baixo dos 26 céntimos o litro de produto e vendendo a perdas, asumindo créditos dificilmente pagábeis de seguir esta situación e con grave risco de peche para a maioría delas. Ao tempo, empresarios como Jesús Lence, de Leite Río, acusaron os gandeiros de mobilizarse "porque lles gusta ir de festa", unhas alusións que tamén foron respostadas en forma de proclamas por parte dos manifestantes de Arzúa. "Eu pecho. Apoio o sector gandeiro", podíase ler nos carteis que os locais comerciais das rúas arzuás colocaron nos seus escaparates para amosar o apoio a unha tractorada que nin a Garda Civil foi capaz de cuantificar. Mentres a cabeza da manifestación estaba xa en Melide, uns 100 vehículos quedaban aínda no polígono de Arzúa. Ao seu paso, a maioría dos establecementos permanecían pechados e os peregrinos miraban desconcertados o paso dos tractores, acompañados nalgún tramo por camións cisterna que mesmo baleiraron o leite en sinal simbólico de protesta. A concentración foi tal que se produciron retencións e mesmo a Garda Civil impuxo multas que foron logo retiradas pola presión dos manifestantes. "Os nenos tamén loitamos polo noso futuro", dicía o cartel que portaba un cativo xunto a unha muller que lle recordaba á conselleira que o seu "sobre está cheo" mentres o do gandeiro "está cada día máis baleiro". Entre as proclamas, "queremos producir no país" ou "o rural está moi mal", por parte de persoas que apoiaron desde a rúa o paso dos tractores, que o vindeiro mércores volverán saír ás estradas na comarca do Deza. "Malia a emerxencia global e as promesas de Feijóo, non hai ningunha medida concreta de mellora para as granxas", di Isabel Vilalba (SLG) "En localidades e comarcas, como a que hoxe se mobiliza, Arzúa, a importancia do sector é vital; non só desde un punto de vista económico, senón tamén social. Sen sector lácteo, esta comarca -como outras no país- ten o risco grave de agonizar. É por iso necesaria a implicación social e institucional na defensa do sector nas mobilizacións que ao longo do mes de agosto se desenvolverán en diversas localidades galegas", lembraba o Sindicato Labrego Galego (SLG). A súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, presente na marcha, destacaba o "apoio masivo" ás convocatorias ante unha situación de "emerxencia global como nunca se viu". "A pesar disto, non hai ningunha medida concreta de mellora para as granxas galegas e malia Feijóo, que dixo que se ía poñer á fronte do problema, continúan sen se concretar compromisos da industria e da distribución para incrementar os prezos cando lles acaban de garantir 40 millóns en axudas... Só faltaría que seguisen con estes abusos", lembrou. Pola súa banda, José Luís García, alcalde de Arzúa, recordou que o sector lácteo "supono todo" para a súa vila e "para a maioría de concellos rurais de Galicia". "A morte do sector gandeiro supón a morte do rural, de aí que os alcaldes destes concellos debemos estar en primeira fila da reivindicación; é o que nos queda porque as nosas capacidades non van máis aló, iso correspóndelle á Xunta, Estado e UE, que hai tempo que deberían estar facendo os deberes", dixo, tras advertir que, "se en Francia se están facendo cousas, aquí tamén se poderán facer". "A non ser que na UE sexamos cidadáns de seguda e haxa outros de primeira, unha impresión que temos todos", rematou. José Luís García, alcalde de Arzúa, advirte que "a morte do sector gandeiro supón a morte do rural" en Galicia Ademais, o deputado de AGE na Cámara galega, Antón Sánchez, destacou desde a manifestación a "elevada participación" das protestas, o que demostra que "a situación é grave e a falta de expectativas, importante". Respecto da falta de capacidades ás que fai referencia a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, o parlamentario asegurou que "se non pode facer nada, que dimita". "A Xunta baleirou de competencias e ferramentas o seu labor no sector e unha potencia produtora como Galicia non pode soportar isto", dixo, tras exixir que o Goberno galego "xutne a distribución, industria e produtores e chegue a un acordo inmediato e de urxencia". Xa máis tarde, na manifestación levada a cabo diante do Concello, leuse o manifesto no que se lembrou que "Francia, tendo un problema de prezos bastante menor que en Galicia, tomou medidas eficaces para solucionar o problema con carácter urxente, poñendo 600 millóns de euros sobre a mesa e chegando a acordos coa industria de distribución para mellorar os prezos". A Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo advirte que "ata que o Goberno de Galicia tome medidas eficaces para poñer remedio aos problemas que afogan aos gandeiros" non ten "outro remedio que continuar coas mobilizacións". A Plataforma Galega pola Defensa do Sector Lácteo manterá as mobilizacións "ata que a Xunta tom medidas eficaces" A plataforma exixe que "se garanta a recollida de todo o leite producido e prezos que cubran os custos de produción, que se poña en valor o leite de orixe galega, pasteurizado e ecolóxico e impedir o uso que está facendo a distribución do leite como produto reclamo, que se aposte por unha verdadeira negociación colectiva dos elementos do contrato a través das organizacións de produtores tal e como permite o paquete lácteo e que se desenvolva a figura do mediador, unha figura da administración que debe vixiar que se cumpra a legalidade á hora de formalizar os contratos e que a negociación se produza en condicións de igualdade". Ademais, cualifican como "moi importante" que se impulse a "recuperación do consumo" cun "programa de leite escolar que permita unha mellora da imaxe do leite e os produtos". |
NOS_5654 | Si, Riazor viviu unha desas rarezas dun triunfo sen sufrimentos. Todo saíu até mellor que na pizarra de Natxo González. O treinador vasco non podía ter pintado nela a obra de arte que o dianteiro sevillano Carlos Fernández regalou á freguesía branquiazul no 2-0. Slalon, duplo caneo e finalización, emboque polo pau corto, o gardamallas a se deitar cara ao longo, xogada que de ter sido asinada por Messi ou Ronaldo daría a volta ao mundo. | Ben a defensa, soberbios os laterais Saúl e David Simón na proxección ofensiva, ben Bergantiños na contención (a combinación é outra historia), espléndido Edu Expósito, con ganas de marcar territorio, como interior dereito, correcto aínda que por debaixo do seu potencial Krohn Delhi na esquerda. Combativo Christian Santos na pelexa cos centrais rivais... e sinxelamente celestial Carlos Fernández na punta de ataque, a devolver a Riazor un hat trick que a afeizón coruñesa non gozaba desde había 10 anos. O 4-0 non informa ben sobre o desenvolvimento do xogo na primeira media hora. Nese lapso de tempo o Elche foi un rival incómodo, pegañento, até ambicioso, con algún achegamento á portería de Dani Giménez que provocou certa inquietude nas bancadas riazoreñas. Xa o advertira Natxo González nas vésperas: había que ir a polos tres puntos, non dar por suposto que xa estaban no peto. A equipa levaba ben interiorizado o recado e moveu o balón con tranquilidade e con criterio. Nesa parcela ninguén botou de menos Didier Moreno, futebolista que, si, suda sobre o céspede mais que non dispón do manexo da bola dun Edu Expósito que, a maiores, arriscou lanzamentos a portería desde longa distancia, o rapaz viña a reclamar o que é seu. No minuto 38 a delicada bota de Krohn-Dehli puxo un velenoso centro na área ilicitana e sen marca, lixeiramente escorado, en diagonal ao pau curto, apareceu a testa de Carlos Fernández para cravar o 1-0 no taboleiro de marcas. Non por iso o Elche deitou a toalla no chan. Continuou a súa brega. Mais o xogo xa estaba onde o quería ter Natxo González. O Elche esticou as liñas, na procura do empate. A manta non che cobre ao mesmo tempo a cabeza e os pés, e algunhas fendas comezaron a se abrir no muro defensivo visitante. Era cuestión de tempo que o Dépor sentenciase. A asinatura da sentenza non chegou de calquera maneira. Non foi un contra-ataque vulgar e corrente. Foi unha maravilla de Carlos Fernández, un gol deses que a freguesía manterá fresco na memoria durante anos. Gol con reminiscencias de Bebeto. Un cano na área a un defensa, un quebro nunha baldosa a outro, e un pase á rede messiano cando o porteiro se venceu para o lado contrario. Obra mestra do rapaz sevillano. Foi unha maravilla de Carlos Fernández, un gol deses que a freguesía manterá fresco na memoria durante anos. Gol con reminiscencias de Bebeto O hat trick chegou do xeito máis inopinado. Un esvarón desgrazado de José Juan, o porteiro galego do Elche. Un deses goles parvos que adoita sofrer o Dépor en carne propia. Carlos Fernández, con todo, estaba alí porque fixo ben o seu traballo, neste caso o da presión. Estamos perante un futebolista fino, si, mais que non descoida ningunha das obrigas dun dianteiro moderno. O canteirán do Sevilla non se borra nunca do partido. Aínda houbo máis. Borja Valle, após unha ausencia de cinco choques, tivo tempo para pór o 4-0 no taboleiro de marcas, asistencia dun Carles Gil que voltou a mostrar en Riazor que é claramente un futebolista de Primeira División, a categoría á que ruma agora co paso firme o Deportivo de Natxo González. De feito, este sábado vai durmir, á espera do que aconteza o domingo no Granada-Mallorca, na segunda praza da táboa, a que dá dereito ao ascenso directo á elite. RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón (Somma, min. 81), Domingos Duarte, Pablo Marí, Saúl, Edu Expósito, Álex Bergantiños, Krohn-Dehli, Carles Gil, Carlos Fernández (Pedro, min. 84) e Christian Santos (Borja Valle, min. 77). Elche CF: José Juan, Tekio, Gonzalo Verdú (Zotko, min. 80), Neyder Lozano, Juan Cruz (Redru, min. 66), Manuel Sánchez (Nino, min. 59), Chuca, Xavi Torres, Javi Flores, Borja e Benja. Goles: 1-0 Carlos Fernández (min. 38); 2-0 Carlos Fernández (min. 61); 3-0 Carlos Fernández (min. 63); 4-0 Borja Valle (min. 83). Árbitro: Pizarro Gómez (c. madrileño). Cartóns amarelos a David Simón (min. 56), Nino (min. 82) e Neyder Lozano (min. 87). Incidencias: partido correspondente á novena xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 17.159 persoass. |
PRAZA_9379 | O lixo ciscado polo PP de Compostela busca, polo menos, dous obxectivos primordiais: provocar a desmobilización dunha parte dos votantes de CA e colocar os maiores atrancos posíbeis a un hipotético pacto de goberno entre as formacións da esquerda. | Hai poucos días o PP de Santiago puxo en marcha o ventilador para botar lixo sobre o goberno municipal de Compostela Aberta. As acusacións pivotaron sobre un suposto trato de favor a empresas nas que traballan algunhas persoas que teñen relacións familiares con integrantes da organización que sustenta ao executivo compostelán.O máis chamativo desta campaña do grupo que encabeza Agustín Hernández é a súa inconsistencia argumental. Afirman os seus promotores que non teñen dúbidas sobre a legalidade das actuacións denunciadas -por iso non as trasladan ao territorio xudicial- pero, en troques, consideran que non se compadecen cos criterios éticos que deben presidir a acción política. Resulta sorprendente, sen dúbida, a reconversión destes discípulos de Feijoo: sempre defenderon a primacía dos ditames xudiciais sobre calquera outra consideración. Noutras palabras: se non existía unha sentenza condenatoria (de carácter penal ou administrativo) non operaban eventuais avaliacións éticas sobre o comportamento dos cargos públicos do seu partido. E a respecto das relacións familiares, o PPdG sempre actuou sen complexos:dende a política de colocación practicada polo clan Baltar ate contratos e nomeamentos recaídos en familiares de Núñez Feijoo ou do seu círculo político mais achegado.O PP ve a palla no ollo de Compostela Aberta mais non é quen de atopar a viga no propio. Iso ten varios nomes: dupla moral, fariseismo, carencia de credibilidade. Din as crónicas que ante o reproche do alcalde, Martiño Noriega, Agustín Hernández imitou a Rodrigo Rato e proclamou: "a política é así". Certamente, este xeito de facer política é o que ven alimentando o desprestixio de tal labor e a conseguinte desafección de milleiros de persoas ante as citas electorais que se lles presentan.Outro exemplo recente da disociación entre as proclamas e os actos puidemos constatalo na reacción ante a política do goberno de Sánchez no tema catalán. Casado descualifica, cos adxectivos mais insultantes, as propostas para dialogar nunha mesa de partidos porque iso, presuntamente, non respecta a lóxica institucional. Ao mesmo tempo, o goberno da Xunta publicitou unha declaración institucional de condena das propostas de Sánchez. Este comportamento revela unha incongruencia palmaria por canto unha declaración institucional require un consenso coas forzas da oposición que neste caso non existe. Na Cámara do Hórreo todas as declaracións desta natureza só van adiante se hai ese acordo unitario. Esa norma non escrita que rexe na acción do poder lexislativo tamén debe ser aplicada na actuación do Executivo. De non ser así estamos ante a apropiación indebida dunha institución pola aquela forza política que, transitoriamente, administra o seu funcionamento.O domingo electoral de Maio xa está no horizonte próximo. Polo que se ve, o nerviosismo está instalado na rúa Génova e tamén en Montepío. O lixo ciscado polo PP de Compostela busca, polo menos, dous obxectivos primordiais: provocar a desmobilización dunha parte dos votantes de CA e colocar os maiores atrancos posíbeis a un hipotético pacto de goberno entre as formacións da esquerda. De tal xeito que, se as cifras non entronizan a Hernández como alcalde, o terreo de xogo ficaría enlamado para dificultar a xestión gobernamental futura. |
NOS_32573 | A escuadra galega terá que remontar cinco goles ante Rincón Fertilidad Málaga | O Atlético Guardés deberá remontar cinco goles de desvantaxe se quere estar por primeira vez nunha final europea. A escuadra galega perdeu por 18-23 (10-13 no intermedio) ante Rincón Fertilidad Málaga nun partido de ida das semifinais da EHF European Cup que tivo como principal protagonista a porteira internacional Merche Castellanos, que con 16 paradas e 59% de efectividade foi un auténtico muro para as da Guarda. Ambos os conxuntos desaproveitaron as súas primeiras accións, pero no seu segundo intento o Málaga abriu o marcador e as distancias grazas ás paradas de Castellanos, que tivo nun espectacular bloqueo a Paula Arcos a súa carta de presentación. O segundo gol das andaluzas, materializado por Espe López, foi sucedido inmediatamente por outra intervención de auténtico luxo da gardameta visitante, mais non foi quen de deter un lanzamento de cadeira de Erika Rajnohová, que estabeleceu o 1-2. Estes primeiros e trepidantes cinco minutos de partido foron un avance do que sería a tónica do primeiro tempo: parada de Castellanos, enésima perda de balón do Guardés -pases que non se finalizaban correctamente, malas decisións…-, faltas en ataque, pasos… así até que o técnico do conxunto do sur da Galiza, José Ignacio Prades, pedía tempo morto transcorridos os primeiros 15 minutos co obxectivo de pór orde nas súas filas e cando o marcador na Sangriña reflectía un 5-7 favorábel ao Rincón Fertilidad Málaga. As rotacións deron aire ás locais, e o cambio de Moreno por Urban no extremo dereito traduciuse en que as distancias baixaron até 7-8. Non obstante, e a pesar de que o Málaga estivo frouxo no ataque posicional, conseguiron volver abrir brecha até o 10.13 co que se alcanzou o tempo de descanso. Con tres abaixo e 30 minutos por diante para rearmarse en defensa e reducir as perdas de balón, o Guardés comezou o segundo acto cun sete metros que anotou Paula Arcos (11-13) e apostando por abrir un pouco máis a súa defensa. Lamentabelmente, o gol de Sarah Valero (12-13) foi un espellismo, pois logo dun cúmulo de adversidades as galegas volvían distanciarse até estar a catro tantos das malagueñas, que encomendadas á súa velocidade e ás paradas de Merche Castellanos baixo paus lograron alcanzar o 18-23 co que se chegou ao final do tempo regulamentario. Xa que logo, a última rolda eliminatoria da EHF resolverase o vindeiro sábado, 3 de abril, a partir das 19 horas no polideportivo malagueño de Ciudad Jardín. O Porriño abre a segunda fase da liga con vitoria O encontro entre Uneatlantico Pereda e Conservas Orbe Rubensa Balonmán Porriño, que abriu a segunda fase da Liga Guerreiras Iberdrola, non puido rematar mellor para os intereses dun conxunto galego que loitará por non descender da máxima categoría do balonmán. O resultado favorábel de 20-27 para as xogadoras dirixidas por Ismael Martínez estivo sustentado nos primeiros minutos da segunda metade, a pesar de que o primeiro tempo rematou xa con seis tantos de vantaxe para o Balonmán Porriño. Cunha defensa centrada principalmente en disuadir as primeiras liñas do Uneatlantico, e en combinación cun bo ataque onde Soraia Lopes foi a gran protagonista, a escuadra galega suma uns puntos vitais para o obxectivo da salvación. |
PRAZA_19872 | As novas infraestruturas nas cidades avanzadas empréganse como elementos de reequilibrio urbano e desconxestión, descentralízanse os polos de atracción para favorecer a mobilidade e o desenvolvemento das distintas zonas. Aquí faise o contrario, íspese o santo de As Travesas para volver vestir o do centro | "Que pesa máis, un kilo de palla ou un kilo de ferro?" preguntabamos de cativos, e raro era quen non sabía o conto que non picase. Propóñovos outra adiviña, e tedes que contestar sen pensalo: "Que vale máis, un millón en cartos públicos ou en cartos privados" O mesmo? Estades seguros? Sen metérmonos a fondo no valor de úso e o valor de troco ímos falar de un exemplo que demostra que os cartos públicos son o equivalente do kilo de palla. No prazo de uns días está previsto o comezo da demolición interior do vello Hospital Xeral de Vigo, o Pirulí. A construcción do hospital novo nas aforas deixou o edificio sen úso e a Xunta decidíu que alí se ubique a nova Cidade da Xustiza. Os orzamentos de 2016 incluían aínda partidas para ubicala a carón dos actuais xulgados, onde hai uns anos se erguera un novo edificio que duplicaba a superficie do primeiro e se dispoñía de terreos abondo para as novas ampliacións, o que deixa ás claras que o cambio súpeto da ubicación non estaba planeado. O non saber que facer co edificio vello, circunstancia coa que non se contara, e as protestas da viciñanza do bairro asustada polo declive comercial da zona, arrimado ás poucas ganas de que o complexo se situase en terreos cedidos polo concello, precipitaron que a Xunta tirase ese coello da chisteira. A Xunta non é calquera de nós e tomou unha decisión política. Por que? Porque os cartos públicos doen menos, son o kilo de palla. A disxuntiva da renovación ou demolición dos edificios vellos non é simple: compre valorar os custos da propia demolición (mesmo os perigos se están en zonas poboadas) e botar contas do que sobe a renovación integral fronte á construcción nova. Se a calquera nos preguntan que fariamos para dispoñer dun espazo amplo dedicado aos xulgados de unha cidade, todos pensariamos en construílo. Veriamos os recursos económicos dos que dispoñemos, falariamos cos futuros usuarios para ver o que precisan e encargariámoslle a algún arquitecto que deseñase un ou varios edificios con eses parámetros. Pero a Xunta non é calquera de nós e tomou unha decisión política. Por que? Porque os cartos públicos doen menos, son o kilo de palla. A dignidade O traballo do arquitecto neste caso vai ser adaptar un edificio vello a un úso para o que non foi concibido. Hai exemplos a fartar, sen ir máis lonxe o edificio da Tabacaleira na Coruña, tamén para úso xudicial, ou no propio Vigo a conversión do antigo cárcere e xulgados en museu de arte contemporánea. A diferencia é que estes son edificios do patrimonio histórico e o Pirulí non pasa de adefesio franquista do ano '50. O proxecto gañador sábeo e xa presenta o traballo coa voz tomada, admitindo que van facer o que poidan, con dignidade. Pero o edificio é o que é. Que quere dicir isto: "o edificio é o que é"? Pois simplemente que non se axusta ao uso novo pero o cliente sempre ten a razón e hai que darlla, nin falar de demolicións. Vaise levar a cabo unha renovación integral que, circunstancialmente, ten que comezar con demolicións selectivas, por exemplo de todo o interior e varias construccións anexas, pero tranquilos, a estrutura enferruxada do rañaceos dos anos 50 vaise preservar intacta. Os arquitectos saben que a construcción en altura non é a máis indicada para úso non residencial, hoteleiro ou de oficinas non-privadas, que as infraestruturas públicas deste tipo son máis funcionais e accesibeis cando se distribúen horizontalmente, por algo o proxecto se concibira como "Cidade da Xustiza". Non vale nada e por iso se vai tirar todo. O único que polo visto vale é a estrutura enferruxada e apodrecida do ano 1947: esa é ideal O edificio non ten culpa pero na súa conversión de hospital en xulgados non valerán os quirófanos, non valen os cuartos dos pacientes, non valen as UCIs, non valen os ascensores, non valen os aparcamentos, non valen os despachos, non valen os alicatados, non valen os tabiques, non valen as portas nin as ventás, non vale a ventilación nin a calefacción, non valen as salas de espera nin os corredores, non vale o chan nin as conduccións eléctricas, non vale a fontanería, non valen os sistemas de telecomunicacións, non valen as escaleiras nin os sistemas de emerxencia, non vale a pintura nin a altura dos teitos, non valen os almacéns, non vale a área de emerxencias, non valen as cociñas nin os comedores, non vale a lavandaría nin os anexos máis novos nos que hai pouco se investiran millóns. Non vale nada e por iso se vai tirar todo. O único que polo visto vale é a estrutura enferruxada e apodrecida do ano 1947: esa é ideal. Así parte da poboación viguesa non experimentará o trauma que suporía ver desaparecer o lugar no que naceron e no que os seres queridos deron o último alento: o Pirulí. Seguramente ter algo máis que un solar ao que chamarlle Cidade da Xustiza serve para saír do paso e aforrar uns millóns. Se dentro de dez anos nos queixamos porque a instalación non cumpre as expectativas de funcionalidade ou non resolve as necesidades de espazo público… ben, cando cheguemos a ese río, cruzaremos esa ponte. Na ría de Vigo temos o exemplo do Corredor do Morrazo que xa se inaugurou sabendo que ía ter que desdobrarse, e nesas estamos, comprobando que o barato sae caro e pagando o evidente con dez anos de retraso. Pero que carallo! de aquí a dez anos quen sabe onde estaremos todos, cantos galegos quedaremos, cantos pleitos vai haber, se Trump nos embarca na 3ª Guerra Mundial ou se a xustiza se imparte desde a casa por videoconferencia. As novas infraestruturas nas cidades avanzadas empréganse como elementos de reequilibrio urbano e desconxestión, descentralízanse os polos de atracción para favorecer a mobilidade e o desenvolvemento das distintas zonas. Aquí faise o contrario, íspese o santo de As Travesas para volver vestir o do centro, que actúa como trinque e pasarela única para todas as Administracións, un contramodelo de cidade charramangueira, arcaica e ineficaz, que se mantén porque os orzamentos que sufragan as irresponsabilidades electoralistas son públicos. Coma quen di, de palla. |
NOS_37728 | O Goberno de Pedro Sánchez mobiliza o Exército español en Ceuta para controlar unha crise migratoria provocada por Marrocos en represalia a atención hospitalaria en Logroño do líder do Fronte Polisario. | Nunha praia con tanques blindados e con varios destacamentos do Exército español, militares golpearon algunhas das persoas que chegaban a Ceuta procedentes de Marrocos, ao longo do día de hoxe, que xunto ás que accederon na segunda feira suman máis de 8.000, segundo a aproximación comunicada polo ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska. Informouse dun falecemento. Son menores de idade unha cuarta parte das e dos migrantes que chegaron nadando á praia do Tarajal, na que un espigón marca a fronteira do Estado español co país alauita, e que están sendo expulsados a Marrocos sen respectar o proceso xudicial e sen avisar a asistencia xurídica, como sinalou o Colexio de Avogados de Ceuta. Marlaska defendeuse afirmando que serán atendidos "conforme a lei e os tratados internacionais". Ao mediodía de hoxe, Marlaska confirmou que expulsaran 2.700 persoas procedentes de distintos Estados africanos, mentres Pedro Sánchez, presidente do Executivo, se comprometeu nunha declaración pública a "restabelecer a orde en Ceuta" e a expulsar a todas as persoas que entraron na cidade norteafricana sen proceso xudicial, xustificándoo nos acordos de migración que ten asinado o Estado con Marrocos. As imaxes de centos de cabezas emerxendo da auga, nalgúns casos familias enteiras, outras persoas xa subidas ao espigón e algunhas tentando buscar a saída nunha praia valada repetíronse ao longo do día mentres efectivos do Exército agredían con porras algunhas das persoas pasaban polo medio ou que trataban de descansar, nun espazo que só contaba cunha saída dirixida a un recinto fechado dentro da Dirección Xeral da Garda Civil na cidade. Para evitar as consecuencias legais pola súa actuación, a Asociación Unificada de Militares Españois chegou a pedir que se lle forneza das "máximas garantías xurídicas". As primeiras persoas comezaron a chegar desde Marrocos na madrugada do domingo, e fóronse incrementando mentres pasaban as horas, até o punto de que a Garda Civil deixou de intervir, ao non ter capacidade para enfrontarse ao número de migrantes que conseguiron entrar en Ceuta, 5.000 nese día, segundo informaron fontes oficiais. Isto levou a que na madrugada da segunda feira se ordenara a despregadura do Exército na cidade autónoma, o territorio do Estado con máis densidade de militares, 3.300 efectivos, sobre todo do Exército de Terra, nunha cidade de 85.000 habitantes. Conflito Marrocos-Sáhara Occidental Esta chegada de persoas foi produto do abandono da Policía marroquí nos controis fronteirizos con Ceuta, en represalia pola decisión do Estado de atender no quinto mes despois da ruptura do alto ao fogo o líder do Fronte Polisario, Brahim Ghali, no hospital San Pedro de Logroño, por unha urxencia médica. Este feito foi confirmado por Karima Benyaich, embaixadora de Marrocos no Estado español, ao sinalar onte que hai "actitudes que non se poden aceptar", e que, polo tanto, as consecuencias "téñense que asumir". Isto contrasta coa resposta de Pedro Sánchez, que cualificou Marrocos como "país amigo co que compartimos obxectivos estratéxicos", pouco antes de saír cara a Ceuta. A política de paz con Marrocos do Estado e da Unión Europea está baseada na represión das persoas migrantes africanas que aplica o Reino alauita para evitar que cheguen a Europa, polo que ten carta verde para violar os dereitos humanos no seu territorio e no Sáhara Occidental, a pesar de que para a ONU o Estado español segue a ser o responsábel do proceso de descolonización do Sáhara Occidental. |
QUEPASA_495 | O cadro da Copa da Costa 2019 en www.copadacosta.com. | Se nos remontamos un ano atrás, e lembramos o sorteo da Copa da Costa no frío auditorio de Baio, decatámonos no salto que pegou o Fútbol da Costa en apenas 365 días. O acto, dirixido por Josiño Mira, da Radio Nordés, celebrado este sábado no Castelo de Vimianzo, refrenda a lenda do fútbol costeiro. Un sorteo ao estilo Champions, con bolas, grandes mitos e un despregamento de medios que demostra que o idilio desta Real Federación Galega de Fútbol á nosa comarca é máis intenso que nunca. Dende aquela Gala de QPC en Mazaricos, xa van case 3 anos de auténtico amor entre Rafael Louzán e o Fútbol da Costa, como o propio presidente recoñecía. E precisamente son por cousas como estas, por encher un espazo tan simbólico como o Castelo de Vimianzo para unha cita singular, pioneira no fútbol galego. A cita serviu para presentar ademais a I CopadaCosta Feminina, e tivo a Marta Calvo, a primeira xogadora con licenza nun club costeiro (Outes) que vestiu a camiseta da Seleccion Galega, como unha das protagonistas. A RFGF quixo ademais recoñecer a tres mitos do noso fútbol: Doro, que non puido asistir, como o xogador con máis títulos (7); Manín, o xogador con máis finais disputadas (8, 5 gañadas e 3 "roubadas"); e Manolín, o Rei de Copas (9 títulos, 2 como xogador e 7 como adestrador). Os dous figuras fixeron de mans inocentes sacando as bolas do sorteo… Recoñecemento á difusión Tamén houbo un momento dedicado a outros dos culpables da lenda do fútbol costeiro, os medios. E a RFG escolleu a José Manuel Ferreiro, con máis de 40 anos ás súas costas contando o que acontece no noso deporte; e a Fran Hermida, a eterna Voz do Fútbol da Costa, que leva dende 2004 narrando a Copa da Costa e que sempre ten a ilusión e vontade de presentar as Galas QPC. Ademais a RFGF tivo o detalle de recoñecer o traballo do diario Quepasanacosta para a difusión do noso deporte. Ubaldo Cerqueiro, que agradeceu aos que forman parte do equipo QPC como Alberto Pose e Manuel Varela, recolleu o galardón. Sorteo Se ben en Cuartos haberá un novo sorteo, ata alí a competición queda do seguinte xeito, disputándose a partido único na casa do equipo de menor categoría, e cunha rolda de previa. Máis información O cadro da Copa da Costa 2019 en www.copadacosta.com. |
PRAZA_18034 | As viaxes previas á habilitación do condutor para a liña de AVE Ourense-Santiago facíanse non sobre a vía na que se accidentou senón sobre a paralela, máis segura Dous peritos de Adif ratifican no xulgado que a empresa cumpriu a normativa de avaliación de riscos en Angrois Dous peritos do maquinista accidentado en Angrois ratifican no xulgado que o accidente era previsible | Dous peritos de Adif ratifican no xulgado que a empresa cumpriu a normativa de avaliación de riscos en AngroisDous peritos do maquinista accidentado en Angrois ratifican no xulgado que o accidente era previsibleAs viaxes previas á habilitación do condutor para a liña de AVE Ourense-Santiago facíanse non sobre a vía na que se accidentou senón sobre a paralela, máis seguraNa liña de AVE Ourense-Santiago, na que o 24 de xullo de 2013 descarrilou un tren Alvia deixando 80 mortos, os trens poden circular nun sentido ou noutro por unha ou outra das dúas vías paralelas que a forman. Porén, na curva de Angrois a seguridade non era a mesma nunha vía que noutra. Este venres o avogado do maquinista imputado na causa por despistarse e non frear a tempo antes da curva, Francisco José Garzón, denunciou que a formación que este recibiu antes da súa habilitación por parte de Renfe para circular por esa liña, poucos días antes da súa inauguración, realizouse circulando ao seu paso por Angrois sobre a vía máis segura e non na que se accidentou. Así o evidenciou no xulgado con documentos nunha xornada na que compareceron dous peritos de Adif, que ten dous cargos imputados na causa, que aseguraron que a seguridade da liña cumpría a normativa.Un ano antes do accidente, en xuño de 2012, Adif autorizou a Renfe a desconectar a bordo dos Alvia o sistema de control constante da velocidade propio do AVE, o ERTMS, polo que os trens circulaban por Angrois ao amparo do sistema convencional de respaldo, o ASFA. Pero a configuración dese sistema na vía 1, a da dereita en sentido Santiago, non puido evitar o exceso de velocidade por despiste do maquinista. A configuración da vía 2 (ou vía II), a esquerda, era distinta e si impedía esa velocidade, segundo sinalaron xa na causa varios peritos, entre eles o experto xudicial independente. Pero segundo denunciou este venres no xulgado o avogado do maquinista sinistrado, a súa habilitación por parte de Renfe para circular na liña Ourense-Santiago recibiuna tras viaxes de formación que discorrían pola vía 2, a máis segura, e non pola 1, cunha sinalización distinta e na que acabaría descarrilando, malia que por ela si circularía sen incidencias en varias ocasións entre a súa habilitación e o accidente.O maquinista recibiu a súa formación do 16 ao 19 de novembro, cando non se circulaba pola vía 1, pendente de rematarse as probas para a súa inauguración o 10 de decembroEsa formación previa á súa habilitación para poder circular pola liña de AVE Ourense-Santiago recibiuna o maquinista Garzón do 16 ao 19 de novembro de 2011. Porén, naquel momento a liña aínda estaba rematando as súas probas de cara á súa inauguración o 10 de decembro por José Blanco, para daquela xa ministro de Fomento en funcións tras perder o PSOE as eleccións xerais do 20 de novembro. Neses días de formación a liña aínda non contaba coa disposición e todas as medidas de seguridade e equipamentos técnicos que tería finalmente. Por iso, eses trens de formación e probas circulaban pola vía 2, segundo di o perito independente e recoñece o propio Adif nun documento no que sinala que daquela non se circulaba pola vía 1 "por non estar dada de alta".Un maquinista que participou naquel mesmo período de formación indica que aínda que se circulase nalgunhas ocasións pola vía 1 parte do recorrido desde Ourense, antes de chegar á estación de Santiago os trens eran desviados en Angrois á vía 2 cunha sinalización distinta á que existiría posteriormente de xeito habitual e no accidente. Pouco despois da súa entrada en servizo comercial os trens pasaron a circular de xeito habitual pola vía 1, na que acabou descarrilando o Alvia.Esta non é a primeira vez en que se evidencia unha deficiencia na formación do maquinista por parte de Renfe sobre os riscos existentes na curva de Angrois pola incapacidade da sinalización alí existente de evitar un exceso de velocidade por despiste. Dúas semanas despois da inauguración e un ano e medio antes do accidente un maquinista xefe alertou por escrito aos seus superiores da insuficiente sinalización desa vía 1 para evitar un despiste. Segundo Renfe, a sinalización cumpría a normativa polo que non era necesario reforzala ou configurala como na vía 2, así que a decisión que se tomou foi a de "intensificar a formación" dos maquinistas avisándoos de que tivesen máis coidado nesa zona.Tras a advertencia dun maquinista un ano e medio antes do accidente do risco de Angrois, Renfe decidiu "intensificar a formación" dos condutores, pero iso nunca se fixo co do Alvia accidentadoPero esa formación nunca chegou ao condutor despois accidentado. O maquinista xefe que lanzara a alerta pertencía ao departamento de media distancia de Renfe, e a eses condutores foi aos que se avisou sobre o risco detectado en Angrois. Pero o maquinista do Alvia pertencía ao servizo de longa distancia e o seu historial formativo, segundo revelou hai catro anos El País, non recolle que recibise ningunha formación sobre esa cuestión posterior á alerta lanzada polo maquinista xefe de media distancia.As eivas na formación do maquinista adquiren relevancia xa que Renfe e Adif veñen mantendo que era correcto que a normativa deixase nas mans dos condutores toda a responsabilidade de saber cando frear porque para iso se lles forma.Ratificación de peritaxes de AdifEste venres dous peritos de Adif insistiron no xulgado en que a empresa cumpriu a normativa de avaliación de riscos en AngroisA documentación sobre a formación do maquinista previa á súa habilitación foi desvelada polo seu avogado este venres, nunha xornada na que no xulgado compareceron dous peritos de Adif que, pola contra, aseguraron que a liña de AVE Ourense-Santiago cumpría coa normativa.Na instrución do accidente o xuíz sospeita que Adif e Renfe non avaliaron como debían o risco da curva, cuestión pola que están imputados seis técnicos ademais do maquinista. O pasado xuño un informe da Axencia Ferroviaria Europea incidiu na necesidade de realizar avaliacións específicas de risco, tanto cando Adif e Renfe desconectaron en 2012 a bordo dos Alvia o sistema de control constante da velocidade ERTMS que ante a incapacidade de facelo do ASFA deixaba en mans do maquinista toda a responsabilidade, como cando se deseñou a seguridade da liña de AVE Ourense-Santiago antes da súa inauguración en 2011.A visión contraria por parte de Adif ratificárona este venres no xulgado os seus peritos: Esther Mateo, que era directora de instalacións da empresa pública cando emitiu en xaneiro o seu informe e que vén de ser ascendida a directora xeral de Seguridade; e Antonio Puyol, enxeñeiro industrial dedicado á avaliación da seguridade no sector ferroviario coa súa propia empresa, que trabaja para Adif. Nas súas peritaxes os dous coinciden en indicar que a seguridade no sistema ferroviario está fragmentada entre diversos responsables, incluídos os maquinistas, e que Adif actuou de xeito correcto na liña Ourense-Santiago malia permitir que non houbese ningún sistema automático que frease os trens no caso dun erro humano como o ocorrido. |
NOS_57928 | O Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou hoxe o estudo de salarios baseado nas fontes tributarias e correspondente a 2019, no que destaca a perda de ingresos entre a xente nova e a progresiva redución da fenda salarial entre homes e mulleres, aínda acusada. | Antes de que a pandemia do coronavirus fixese acto de aparición, a economía galega loitaba por superar a crise de 2008. Segundo recolle o IGE no seu informe, baseado nas estatísticas da Axencia Tributaria, o pasado ano o salario medio anual na Galiza (19.879 euros) xa era o máis alto da serie histórica. O aumento rexistrado en 2019, o quinto consecutivo, foi de 3,8%, en liña co do Estado español, sensibelmente superior (20.566 euros de media). O primeiro aspecto que chama a atención sobre os salarios son as diferenzas por sexo. No caso da Galiza, a variación entre o salario medio anual dos homes e das mulleres ascendeu a 4.527 euros no exercicio pasado, lonxe dos 5.076 euros que chegou a marcar en 2008. Porén, o IGE resalta que o salario medio das mulleres galegas, aínda que é máis baixo que o español, aproxímase máis ao da media estatal que no caso dos homes (17.511 euros na Galiza fronte 17.927 de media no Estado español). A banca gaña Por sectores, o maior salario medio rexístrase no das entidades financeiras e aseguradoras (34.932 euros), e o menor en "outros servizos persoais e de ocio" (9.967 euros). Con respecto a 2018, todos os sectores tiveron crecemento, salvo agricultura, gandaría, silvicultura e pesca, que rexistra un incremento do número de persoas asalariadas (pasa de 24.521 en 2018 a 25.250 en 2019) superior ao incremento do salario total do sector, que pasa de 15.991 euros en 2018 a 15.792 en 2019. Os maiores crecementos rexístranse nos servizos sociais (5,5%) e no sector da construción e actividades inmobiliarias (4,6%). As maiores variacións co Estado español prodúcense nos sectores de información e comunicacións (31.801 euros de media no Estado fronte 25.112 na Galiza) e no sector financeiro e asegurador, onde a diferencia entre territorios rolda os 9.000 euros. Cuestión de idade O informe do IGE sinala tamén que a poboación asalariada galega está máis envellecida que a española. A proporción da poboación con máis de 55 anos supera a media española nun punto porcentual. En contraste, a xente nova (menores de 36 anos) teñen máis peso no Estado español que na Galiza, 32% fronte a 28%. Este grupo de poboación, a xente menor de 36 anos, presenta ademais unha gran diferenza entre o peso da súa masa salarial e o peso poboacional, xa que, pese a representar 28% da poboación asalariada na Galiza, só recibe 19% da masa salarial. No resto de grupos de idade a proporción de masa salarial supera a de poboación, sendo o grupo de 46 a 55 anos o que presenta unha situación máis favorábel (26% das persoas asalariadas absorben 31% da masa salarial). Con todo, a distribución deses salarios é máis equitativa na Galiza que no conxunto do Estado español. No caso dos salarios máis baixos, na Galiza hai 34% da poboación asalariada que percibe 10% da masa salarial (fronte 38% no Estad0) e 75% absorbe 47% dos salarios, cando en España 73% do colectivo asalariado leva 41% da masa salarial. No das rendas salariais máis elevadas, na Galiza 10% das persoas asalariadas reciben 30% da masa salarial, en troques no Estado español 13% recibe 36% dos salarios totais. Menos ingresos que antes da crise de 2008 En relación a evolución nos últimos anos, o informe do IGE resalta que, por idade, todos os colectivos teñen un salario medio en 2019 superior ao que rexistraban en 2008, excepto o grupo de 18 a 25 anos, cuxo salario medio diminuíu 16% (de 8.654 euros de media en 2008 até 7.294 o pasado exercicio). No grupo de 26 a 35 anos o salario das mulleres en 2019 é 6,3% superior ao de 2008, porén no caso dos homes o salario medio tamén é inferior ao rexistrado en 2008. Nesta franxa de idade cobrouse de media 15.678 euros; 20.715 na de 36 a 46; 23.393 euros na de 46 a 55 anos, e 24.832 euros no colectivo de 56 a 65 anos. |
PRAZA_14527 | O candidato do Bloque pide o voto para que o PP "non teña un cheque en branco para baixar pensións e salarios" | Este sábado Mariano Rajoy debuta na campaña electoral galega. E faino cun mitin que o PP emprega a xeito de talismán dende 2009, cando os conservadores lograron encher a praza de touros de Pontevedra en apoio a Alberto Núñez Feijóo. Dende aquel día, en cada cita coas urnas os populares repiten escenario con Rajoy á fronte. Tamén o fan nesta campaña, na que a presenza do xefe do Goberno central non resulta de todo cómoda para os estrategas de campaña de Feijóo. Todas estas circunstancias foron empregadas este venres polo candidato do BNG á Presidencia, Francisco Jorquera, para quen a aparente separación entre Rajoy e Feijóo non existe, xa que votarlle a un é apoiar ao outro, afirma. Jorquera convida a Rajoy a "patear o país" "Votarlle a Feijóo é darlle un cheque en branco a Rajoy para que baixe as pensións, os salarios e as prestacións por desemprego, para que sigan pagando a crise os de sempre", advertiu o nacionalista durante un mitin en Vilagarcía, no que tamén lembrou os eloxios reiterados do titular do Goberno de España á xestión da Xunta do PP. "Rajoy veunos dicir que grazas a Feijóo, Galiza capeou a crise mellor ca ninguén". "Eu pregúntolles, a quen llelo din?", cuestiona Jorquera, convencido de que esa afirmación do conservador obvia, por exemplo, "aos milleiro de parados" que chegaron aos rexistros de desemprego durante esta lexislatura, aos "gandeiros que pecharon as súas explotacións" ou ás "máis de 5.000 pemes" que botaron o cerrollo. "Que Galiza coñece Rajoy? A da praza de touros de Pontevedra?", pregúntase, convencido de que ao protagonista do acto do PP deste sábado lle falta "patear o país". "Concentrar o voto" É neste contexto, de "afogamento da economía" e tamén de "reestruturación evidente do Estado" no que Francisco Jorquera non cre que "o peor presidente da historia da Xunta, un presidente inimigo do público e do pobo", mereza "unha segunda oportunidade". "Demolicións Feijóo", alcuma, non debe continuar catro anos máis en San Caetano e por iso chama a "concentar o voto nacionalista e de esquerdas no BNG". Para Jorquera a enquisa do CIS publicada o propio venres "demostra" que as eleccións "se van xogar por moi poucos votos" e a "chave" vai estar "en non dividilos". "O PP sabe que se o voto se concentra no BNG; ten as eleccións perdidas", conclúe. |
NOS_35398 | Que significa "fodechinchos"? Ao redor do termo xorde un debate apaixonado entre quen advirte dun fenómeno típico das economías turísticas, vinculado ao aumento de produtos básicos e á xentrificación, e quen o considera un clasismo, "o discurso do invasor". | Unha das discusións máis repetidas nas redes sociais ten a ver cos "fodechinchos". Un fenómeno que cobrou máis protagonismo coa conta "Fodechinchos en Galiza", que experimentou nos últimos días un crecemento considerábel. Preséntanse como un perfil con "todo sobre os nosos queridos fodechinchos". "Marisco baratísimo, acento gracioso, fechados pero hospitalarios". Convidan a seguilos, "se queres rir un pouco". Desde a citada conta compártense as típicas noticias do verán que dan conta dos coches que acaban somerxidos no mar "porque no Manzanares non hai mareas" ou aqueles vehículos atrapados entre as rúas de Combarro (Poio) e comentarios de turistas que enxalzan "a catedral de Pontevedra", critican as "pistas rodeadas de matogueiras" das illas Atlánticas, as "pedras" que inzan os castros ou a cantidade de galegos que frecuentan as praias. Aquí temos a uns fodechinchos nativos subidos a un dólmen en Muiños, concretamente á Casiña da Moura. Usan un monumento megalítico como se fose unha cadeira. pic.twitter.com/xrfFiR02Sh— Fodechinchos en Galiza (@FodechinchosG) June 26, 2022 Tamén recolle queixas como a referente á Casa-Museo Rosalía de Castro, onde "após pagar 2 euros", "todas as aclaracións e comentarios estaban en galego", aos cheiros das augas termais, ás "murallas esteticamente feas de Lugo", e ás gaivotas que "poñen en perigo a túa integridade" nas illas Cíes. As críticas máis frecuentemente recollidas teñen relación coa temperatura da auga do mar, coas algas e co vento, pero tamén coas "pedras grandes" que se poden ver en "moitas praias" como a das Catedrais (Augasantas), en Ribadeo, "totalmente sobrevalorada". E sobre o cabo "villano" ou o río Barosa, "cheo de xente bañándose e con toallas. Unha decepción!". Alén das anécdotas que recolle esta conta satírica, existe todo un debate ao redor do significado de "fodechinchos". Só son os de fóra da Galiza fodechinchos ou nós tamén o somos cando saímos da Galiza? Ser fodechincho non é sinónimo de turista, todos somos turistas nalgún momento. Ser fodechincho é unha atitude, e pode estar presente tanto no visitante interno coma no turista extranxeiro, tamén hai galegos fodechinchos Todos somos turistas mais non todos somos fodechinchos— Fodechinchos en Galiza (@FodechinchosG) June 26, 2022 A propia conta de Twitter defende que "non todo o mundo colle un paraugas no free tour, un Airbnb, critica o idioma do lugar ao que vai, exixe ter un lugar adaptado para el, critica todo... en resumo, ten comportamentos colonizadores". Acrecenta que "ser fodechincho non é sinónimo de turista, todos somos turistas nalgún momento". No Morrazo téñeno claro O "Disionario Morrasense" define o termo como "jichos que invaden os nosos areais maioritariamente no verán, aínda que alghún ten a súa "2ª" residencia intentando camuflarse na zona. Procedentes do outro lado da ría en gran parte. Grazas a eles tardamos catro horas en cruzar polo medio de Moaña e Cangas, ademais reducen a velocidade da Vía Rápida, concretamente a 0km/h para protexernos de posíbeis accidentes, algo bo tiñan que ter. O termo vén de hai moitos anos: un sinal moi indicativo de que está a chegar o verán no Morrazo é que o peixe na praza dispara o seu prezo até límites insospeitados, cando os chinchos un día van a 6 euros, o seguinte van a 12 euros... e claro, un morrasense auténtico vai buscando a oferta máis baixa por toda a praza, un turista (madrileño sobre todo) non, arrampla co primeiro que vexa inda que custe a 20 euros o quilo de chinchos. Cando o pobre morrasense vai buscar os chinchos, xa non queda ningún e maldí o ceo dicindo "Xa nos viñeron joder os chinchos!". "Fodechinchos" describe en orixe un fenómeno típico da turistificación, como o encarecemento de prezos de produtos básicos ou a expulsión de habitantes das zonas históricas e céntricas das cidades debido á eclosión de alugueres turísticos. De feito, a USC estuda como combater as vivendas turísticas e a xentrificación. Hai quen acusa este discurso de clasismo e de turismofobia, propio de "heroes da clase obreira de Leganés que só queren comer unha nécora". Neste sentido, hai quen opina que "proletariado tamén é a traballadora da droguería que tivo que fechar porque na zona vella ninguén precisa xa fíos Gutterman. E ela xa non vai viaxar nin a Amalfi nin a Benidorm". Un debate galego ben candente que caracteriza estes días as redes sociais. |
PRAZA_5383 | A CIG denuncia que IBERMAN S.A. "non ten a solvencia que se precisa para asumir o seu mantemento" e reclama o "rescate urxente" do servizo para garantir o correcto funcionamento dos equipos | O 20 de xuño do pasado ano o Sergas adxudicoulle a IBERMAN S.A. o servizo de mantemento integral de equipamento electromédico por un período de tres anos e catro meses. Xa o pasado mes de novembro, ao pouco de comezar esta empresa a emprestar o servizo, CIG-Saúde denunciaba que a empresa estaba incumprindo "todos e cada un dos apartados do prego de prescricións técnicas e da oferta", tanto no referido a persoal como a tempos de resposta, o que estaba a provocar que centos de citas fosen anuladas por problemas cos equipos. O paso do tempo non fixo máis que agravar o problema, que estendeu por practicamente todos os centros hospitalarios de Galicia. A CIG denuncia que IBERMAN S.A. "non ten a solvencia que se precisa para asumir o seu mantemento" e reclama o "rescate urxente" do servizo para garantir o correcto funcionamento dos equipos. Nunha rolda de prensa ofrecida este luns, responsables do sindicato en distintas áreas sanitarias do país sinalaron novamente que a empresa está a incumprir o contrato: "non respecta os protocolos dos fabricantes, non emprega pezas orixinais e non hai nin garantía das reparacións, nin protocolos que determinen o bo funcionamento dos equipos". Segundo a CIG a empresa "non respecta os protocolos dos fabricantes, non emprega pezas orixinais e non hai nin garantía das reparacións, nin protocolos que determinen o bo funcionamento dos equipos" O sindicato engade que "a falta de control é tal que o SERGAS descoñece a existencia de contratos de mantemento, en vigor, de equipos con terceiras empresas que a adxudicataria do servizo de electromedicina se adxudica como traballos realizados". Nos últimos meses CIG-Saúde foi denunciando fallos en equipos médicos, incubadoras, arcos cirúrxicos, equipos de esterilización, mesas de quirófano, mamógrafos, berces térmicos, equipos de citoscopias, de raios, insufladores endoscópicos, electrocardiógrafos e camas eléctricas en diferentes centros hospitalarios. Por exemplo, o pasado mes de xaneiro o sindicato chamaba a atención sobre o feito de que en Lugo dúas incubadoras pasaron 15 días nun corredor á espera de que as levaran para amañar. O sindicato conclúe que o que se fixo foi "desmantelar un servizo público que funcionaba perfectamente, con custes reducidos, profesionais moi cualificados, con experiencia e unha calidade na asistencia inmellorábel" María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, denunciou, á vista dos feitos, que a privatización do servizo decretada polo Goberno galego "é un gran negocio para as empresas privadas e unha ruína para o sistema público, que está a pagar por un servizo que non ten", e sinalou os prexuízos concretos que esta realidade está a ter, por exemplo "a descapitalización de todo o equipamento existente nos servizos, o incremento no custe para o erario público e un servizo de pésima calidade con incidencias directas sobre as e os pacientes". O sindicato conclúe que o que se fixo foi "desmantelar un servizo público que funcionaba perfectamente, con custes reducidos, profesionais moi cualificados, con experiencia e unha calidade na asistencia inmellorábel". Problemas en todas as áreas sanitarias En Santiago un dializador "ardeu mentres se dializaba a un paciente, como consecuencia de empregar pezas usadas doutros equipos que levaban bastante tempo retirados" A seguir, os distintos responsables sindicais debullaron, hospital por hospital, distintos problemas xerados pola ineficaz xestión realizada pola empresa concesionaria. Por exemplo, denuncia que no CHUAC (Complexo Hospitalario Universitario da Coruña) os mantementos preventivos non están ao día, non hai equipos en depósito para substitucións por avaría, e un electrobisturí leva varias semanas fóra de servizo. No CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago) existen, segundo a CIG, graves problemas cun dializador, que "ardeu mentres se dializaba a un paciente, como consecuencia de empregar pezas usadas doutros equipos que levaban bastante tempo retirados". De igual xeito, asegura que no Hospital Gil Casares varios equipos de endoscopias levan tempo se reparar. En Pontevedra hai problemas cos mesturadores de osíxeno de neonatos, que levan tempo sen células de osíxeno, sen coñecerse o motivo. Así memo os ventiladores e respiradores levan semanas fóra de servizo Pola súa banda, no HULA (Hospital Universitario Lucus Augusti), habería problemas cos equipos de endoscopias, e coma nos outros centros non están ao día os mantementos preventivos e non existen equipos en depósito para substitucións por avaría. No Hospital da Costa (Burela) os principais problemas están relacionado co funcionamento dos equipos de radioloxía e con atrasos nas reparacións de aparellos endoscópicos. Ademais, non se fan as revisións dos aparellos de electroterapia. No Hospital do Barco houbo, segundo CIG-Saúde, problemas cun esterilizador, que estivo 15 días parado e houbo que chamar a outra empresa para amañalo. Ademais, a Sala de raios X leva 4 semanas parada. No CHOP (Complexo Hospitalario de Pontevedra) hai problemas cos mesturadores de osíxeno de neonatos, que levan tempo sen células de osíxeno, sen coñecerse o motivo. Así memo os ventiladores e respiradores levan semanas fóra de servizo. No Hospital do Salnés (Vilagarcía de Arousa) a reparación das camas eléctricas está facéndoas outra empresa, e descoñécese o motivo. |
NOS_28893 | No noso país tiveron lugar o 11% dos accidentes laborais mortais de todo o Estado español neses 9 meses. Un total de 52 traballadores falecidos. | O Ministerio de emprego vén de publicar os datos de sinsitralidade laboral nos tres primeiros trimestres de 2016, entre xaneiro e setembro. En Galiza rexistráronse un total de 20.607 accidentes laborais, o que supón unha media de 76 cada día. A inmensa maioría dos sinistros que decorreron neses nove meses foi de carácter leve, 20.251. Tiveron lugar entre xaneiro e setembro un total de 404 sinistros laborais graves no noso país, o que supón máis de 11 por semana de media. Houbo, ademais, 52 accidentes con resultado mortal. En todo o Estado houbo 461 traballadores mortos. Os 52 en Galiza supoñen máis do 11% do total, porcentaxe moi superior ao peso da poboación ocupada galega no seo do conxunto estatal. Informe Un recente estudo do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da CIG amosábase contundente: "Proporcionalmente morreron na Galiza por accidente laboral o duplo de traballadores que a media do conxunto do Estado". En Galiza o índice de incidencia (número de sinistros por cada 100.000 traballadores en activo) nos accidentes mortais foi no primeiro semestre de 0,519. No Estado español é de 0,259. Nos primeiros 6 meses do ano rexistráronse na Galiza un total 11.513 accidentes laborais, dos cales 11.281 foron cualificados como leves, 210 foron graves e 22 foron mortais. "Galiza cos seus 22 traballadores falecidos representa o 7,31% do total de mortes por accidente laboral do Estado, 301", indícabase no boletín. Unha porcentaxe que agora ven de aumentar ao 11%. |
PRAZA_15681 | A presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), Marta Capeáns, reflexiona sobre a reforma da Lei de Administración Local, a enquisa estrutural aos fogares do IGE, a violencia de xénero, o papel dos medios ou o cheque bebé aprobado por Feijóo | Un dos colectivos aos que lle tocou enfrontarse coas caras máis duras da crise foi ao do Traballo Social. O aumento da pobreza e doutras lacras sociais á par das reduccións orzamentarias provocan que cada día sexa unha batalla. A presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), Marta Capeáns, reflexiona sobre a reforma da Lei de Administración Local, a enquisa estrutural aos fogares do IGE, a violencia de xénero, o papel dos medios ou o cheque bebé aprobado por Feijóo. Desde o COTSG e as esferas do traballo social foron moi críticos coa reforma da administración local, semella que o proxecto quedará aparcado… Aparentemente si, á espera de que se resolva antes o financiamento das comunidades. Porén, o que conleva a situación actual é a provocar aínda máis incertidume sobre a continuídade dos servizos sociais máis próximos ao cidadán, especialmente nos concellos pequenos de menos de 20.000 habitantes, que son os maioritarios en Galicia. A impresión é que foi unha medida pensada como aforro económico do estado, e non se pensou na súa viabilidade… De aí que non se poida levar a cabo e que varias comunidades, entre elas a nosa, se viran na obriga de elaborar unha norma autonómica para tentar impedir a aplicación da Reforma Local. A necesidade de contrarrestar unha norma é un xeito de admitir a escasa o nula previsión e medicción das consecuencias da mesma. "A reforma da Lei de Administración local pensouse como aforro económico do Estado e non se calculou a súa viabilidade" Por outra banda, a curto prazo, dá a sensación de que a norma foi feita para quedar ben coa UE, rescatar á banca e desentenderse do financiamento estatal dos servizos sociais como medida de aforro. Deste xeito o que se fixo é arrebolarlle un dardo envelenado ás comunidades autónomas, sen ofrecerlle ningunha alternativa de financiamento como plan B e cuestionar o modelo de atención social actual enmascarado no que se dé en chamar "competencias impropias" dos concellos, que sabemos que funcionan desde a cercanía ás persoas e as súas problemáticas. O que segue en vilo é a aprobación do TTIP, como afectará á prestación de servizos sociais? É a medida económica máis liberalizadora que se recorda na historia da Unión Europea. Este tratado vai protexer os intereses das grandes empresas e corporacións sobre os dereitos das persoas, e abre a posibilidade da xestión dos servizos públicos aos mercados, porque do pouco que sabemos, si nos consta que se fala de que entre eses servizos públicos se atopan a sanidade, a educación, o sistema de pensións e, como non, os servizos sociais. Co cal, será un auténtico torpedo á liña de flotación do Estado de Benestar. "O TTIP é un auténtico torpedo á liña de flotación do Estado de Benestar" A UE incumple, con este tratado de libre comercio, a súa propia esencia de crear "unha Europa dos pobos" e de dar cumplimento ao seu compromiso de loitar contra a pobreza, derivándoo directamente a un compromiso cos mercados, onde a máxima é a competitividade e o maior beneficio ao menor coste. Isto reflexarase na perda de dereitos e de calidade de vida das persoas. A enquisa coxuntural de fogares que vén de publicar o IGE reflexa que o 57% dos fogares galegos chega a fin de mes con dificultade, o dato baixou un punto a respecto do ano pasado,como perciben isto desde o ámbito do Traballo Social? Cando a situación esixe que desde a municipalidade se estean impulsando e reinventando prestacións complementarias para axudar ás familias con ingresos a chegar a fin de mes, é porque esa mellora non só non se percibe en absoluto, senón que aparece un novo concepto de pobre. A pobreza xa non é exclusiva de certos colectivos en risco de exclusión social, senón que xa chegou á clase media. "A mellora económica non se percibe en absoluto, senón que aparece un novo concepto de pobre na clase media" A precariedade nas contratacións e a inestabilidade laboral provoca que aínda tendo emprego, se pode estar nunha situación de empobrecemento que se reflexa no día a día no xeito de xestionar bens tan necesarios como a enerxía ou a alimentación. Tamén no aumento do endebedamento das familias por non poder facer fronte a gastos básicos como alugueres ou hipotecas, ou os propiosimpostos ou taxas… Iso é co que o colectivo de traballadores sociais se atopa a diario: ese é o novo perfil de usuario dos servizos sociais. Esta mesma enquisa dá o dato de que 1/3 da mocidade galega vive en risco de pobreza ou exclusión social, á par que este grupo de entre 16 e 24 anos sufre un incremento na taxa de risco de pobreza de 10 puntos desde 2007, como deben as administración enfrontar esta situación? Evidentemente potenciando a empregabilidade e a contratación deste colectivo e non promovendo a emigración como unha marabillosa alternativa de expansión, xa que dende o 2010 o que se conseguiu é o éxodo de máis de 100.000 mozos galegos formados e moi cualificados gran parte deles, que deberían estar aportando ese coñecemento ao noso sistema produtivo. "Un país sen mozos e mozas é un país sen futuro. Non podemos permitirnos ese luxo" A maiores, a administración ten a obriga de paliar esta situación promovendo calquera medida de apoio, xa que só 1 de cada 15 mozos e mozas en paro están percibindo algún tipo de prestación. Resumindo, non só non teñen a opción de ser produtivos, senón que se converten nunha sobrecarga, cualificada iso si, no seo da súas propias familias. Un país sen mozos e mozas é un país sen futuro. Non nos podemos permitir ese luxo. Formar a xente e enviala a ser rendible a outros países. Evidentemente, todo pasa tamén por intensas reformas estrutrales que permitan xerar emprego pola vía da creación de economía productiva en Galicia, de tecido empresarial no ámbito da innovación, pola inversión e pontenciación do noso medio rural e por crear, como non, economía no eido social e dos coidados. O ministerio de Facenda vén de certificar que o gasto social nos orzamentos galegos volve descender con respecto aos do ano pasado… Segundo se desprende dos datos analizados, hai unha pequena rebaixa porcentual, ainda que no montante global medre un pouco. No eidos dos servizos sociais que nos colle máis de preto, hai unha pequena subida a respecto do ano anterior, froito tamén do aumento global do orzamento da Xunta. En todo caso o obxectivo é termos canto antes os números de 2009, ano desde o cal a inversión en política social non fixo máis que descender, como tamén indica o Índice DEC, elaborado pola Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais. Estamos falando de invertir en que as e os galegos poidan vivir cuns mínimos de dignidade, e sobre todo, invertir no que realmente resulta máis acuciante. O Goberno galego vén de aprobar o cheque bebé por unha contía de 100 euros mensuais, é un bo sistema? Esta medida en concreto, se algo non vai acadar é o obxectivo para o que debería ser creada: o fomento da natalidade. E de sobra é sabido que esta acádase con equipamentos que favorezan a conciliación laboral, persoal e familiar a un prezo razoable, e coa creación de oportunidades de emprego para nais e pais. "Poñemos en dúbida que o cheque bebé da Xunta vaia fomentar nada" Este tipo de medidas pódense entender como unha alegría coxuntural e puntual para quen a poida percibir (ao igual que o cheque bebé de Zapatero no seu momento) pero que non resolven nin a crise de natalidade nin son un apoio ás familias continuado no tempo, e dende logo poñemos moi en dúbida que fomenten nada. O COTSG participou en xornadas de acción municipal como, por exemplo, Coruña ou Santiago, que medidas urxentes deben implementar estes novos gobernos do cambio? Hai iniciativas moi interesantes en algúns concellos con gobernos novos e inquedanzas para mellorar a calidade de vida cidadanía, ou dar desposta rápida a situacións acuaciantes que poden derivar en casos de estancamento na pobreza, que proceden do paro prolongado. Si é certo que os maiores retos que se van atopar son, en gran parte de tipo xurídico: medidas como a aplicación da Reforma Local, normativas encorsetadas como a Lei de Subvencións etc. dan como resultado que, moitas veces, aínda querendo, non é posible activar en tempos razoables, medidas de apoio ás persoas máis vulnerables. "Os maiores retos que van atopar os concellos para activar medidas para as persoas máis vulnerables van ser lexislativos" En todo caso, a medida máis importante a ter en consideración sempre é a aposta pola xente, e aplicar o sentido común no reparto dos recursos. Se algo aprendimos desta crise, é que un dos problemas máis grandes veu da inversión en obras e en cemento inútiles a costa de abandonar á súa sorte a unha parte importante da cidadanía. Recentemente veñen de formular unha reclamación a El Correo Gallego e de denunciar publicamente o uso da linguaxe de Periodista Digital ou El Progreso, en que poden axudar os medios ao Traballo Social? Tanto no caso mencionado, como en tantas outras ocasións acontecidas ao longo dos últimos anos, aconséllaselles e recórdaselles aos medios que teñen unha arma nas mans que crea opinión e que educa á cidadanía en terminoloxía, en conceptos, pero tamén en ideoloxía, e que o xeito de expresarse pode desembocar en xerar, ou en conter odios a colectivos xa de por sí castigados socialmente. Unha persoa que ten a desgracia de atoparse vivindo na rúa non é un "pé negro", nin "un estómago agradecido" ou cando alguén sofre unha condea de "prestación de servicios en beneficio da comunidade" non se lle condea a facer Traballo Social. Hai guías de estilo, e sempre estamos os colexios profesionais dispostos a colaborar e asesorar neste senso, e incluso nós mesmos estamos elaborando unha, vista a necesidade, en colaboración co Colexio de Xornalistas, para referirse con termos acaídos, evitar o mal uso de conceptos, ou incidir no máis preciso, evitando cuestións de mal gusto e que poden causan danos innecesarios, estigmatizan e atentan á dignidade das persoas. "Os medios poden xerar ou conter odios cara ás comunidades máis castigadas socialmente" Os e as profesionais do xornalismo teñen o deber de ser moi rigorosos, e dende o Colexio de Traballo Social consideramos que, aínda máis se cabe, cando os temas que traten teñan a ver coas persoas máis vulnerables. E a maiores, insistimos na necesitade de realizar valoracións desde o sentido común, que non inciten á cultura do odio. As 7 mulleres galegas asesinadas por violencia machista igualan o peor dato dos últimos anos. Hai correlación entre a suba e o recorte orzamentario? Evidentemente sería moi arriscando sentenciar que hai unha correlación entre eses 7 casos concretos, e os recortes. Pero o que si está testado é que feitos como a saturación e falta de persoal nos Xulgados de Violencia, a ausencia de profesionais suficientes nos CIM, a falta de recursos residenciais alternativos para vítimas de violencia, etc, favorecen que non se poidan prever ou evitar certos desenlaces fatídicos. Neste campo de traballo e ante esta terrible lacra social, cada euro é inversión en deter sufrimento, en salvagardar o interese superior dos menores e mesmo en salvar ata a propia vida. No COTSG usan a palabra feminicidio con frecuencia… Parécenos un termo que, pese a non ser novedoso, porque se utilizou por primeira vez no ano 1976 ante o Tribunal Internacional sobre os crimes contra a Muller en Bruxelas por Diana Russell, si define moi ben o feito que está a acontecer na nosa sociedade. O único e o gran motivo que remata na morte dunha muller a mans da súa parella ou ex parella é o feito de seren mulleres. "As mulleres non morren. Son asasinadas. Cométense feminicidios" O feminicidio supón o asasinato de mulleres a mans de homes motivado polo odio, pracer ou sentimento de posesión cara elas. Non se nos ocorre un xeito mellor para definir o que, desgraciadamente, está a acontecer na nosa sociedade. "Non caen", non "aparecen afogadas", nin "queimadas", en definitiva, non "aparecen mortas". Son asasinadas. Estanse a cometer feminicidios. |
NOS_21930 | O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, deu conta dalgúns dos temas tratados nunha reunión bilateral co presidente da República de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa. Ambos falaron das infraestruturas que poden aumentar a "competitividade" económica dos dous territorios. | O presidente da República de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, recibiu nesta quinta feira ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, para falar de distintos temas de interese para os dous territorios. Un dos puntos máis importantes da conversa foi o relativo ás infraestruturas para mellorar a conexión da Galiza con Portugal. Neste senso, Feixoo agradeceu "o interese, simpatía e apoio ao Eixo Atlántico Ferroviario e o seu compromiso para que a conexión Porto-Vigo non teña marcha atrás". De feito, cómpre lembrar que foi sempre o Goberno luso o que defendeu a necesidade de mellorar o tráfico dos ferrocarrís con Galiza antes de pensar en investimentos para viaxar á meseta. Tanto é así que xa se falara do eixo Lisboa-A Coruña. Hoxe o mandatario galego repetiu ese discurso da República veciña: "Confirmoume o seu interese porque ese ferrocarril sexa un ferrocarril que non ten marcha atrás, un ferrocarril que avanza cara a conectividade Lisboa-Porto e todas as cidades xunto á fronteira e, a partir de aí Vigo, e seguir no tren que xa está rematado entre Vigo e A Coruña". Despois dos múltiples eloxios do líder popular a Rebelo de Sousa, aclarou que falaron fundamentalmente das infraestruturas como unhas pezas "chave" para gañar competitividade e, en consecuencia, peso económico. Isto daría pé a contar cunha "fachada atlántica desde A Coruña hasta Lisboa conectada por un tren de alta velocidade que suporía un antes e un despois" para as relacións económicas do país con Portugal. Problemas transfronteirizos pola Covid-19 No encontro tamén houbo momento para falar dos problemas que a Covid-19 provocou para as e os veciños da 'raia' que viviron moitas dificultades no seu día a día. Na situación epidemiolóxica actual, Feixoo asegurou que se pode recuperar "a relación de vecindade, económica e social" entre os dous lados da fronteira, pois "hai máis de 70.000 persoas que a cruzan diariamente". Xacobeo Por outra parte, tratáronse proxectos de interese mutuo que concorren aos fondos europeos Next Generation e mesmo a evolución do Ano Xacobeo, pois é unha "oportunidade para reactivar o turismo e a economía da Galiza e Portugal". De feito, o propio presidente luso ten previsto facer unha etapa en agosto. |
PRAZA_12032 | Os novos deseñadores galegos volven a pór en valor a moda feita por deseñadores do país. Sara Coleman, Jorge Vázquez, Jorge Acuña e Gonzalo Vázquez atopan sitio no mercado da moda española e internacional. | Camiñan a distinto ritmo e deixan unha pegada diferente pero teñen en común que forman parte dese relevo xeracional que se está a dar na moda galega. Os seus nomes: Sara Coleman, Jorge Acuña, Jorge Vázquez e Gonzalo Vázquez son a representación da puxanza que o téxtil galego segue a ter no conxunto da creación estatal. Os catro deseñadores coinciden en que non convén circunscribir a un ámbito territorial concreto o seu campo de acción e buscan a universalización da súa proposta tendo en conta "os tempos que corren". Sara Coleman voa en solitario e a súa roupa xa se pode mercar en Rusia, China, Finlandia, Dinamarca, Noruega e naturalmente no conxunto do Estado. Hai poucos días que regresou a Galicia tras participar na Madrid Fashion Week e obter uns bos resultados de crítica e público. Non é a primeira vez que participa na feira máis importante de España pero a súa presenza entre os grandes foi unha conquista lenta que non ten volta atrás. Na pasarela madrileña presentou a súas últimas creacións pensadas para o vindeiro outono-inverno. Di, Coleman, que "esta colección é a máis madura de todas as que fixen" e engade que si tivera que facer ela mesma unha crítica diría que é "coherente". No plano conceptual buscou recrear a "xeometría estelar" e para iso apropiouse da cor prata e de tecidos de pura lana virxe para a confección. Tratase de "buscar contrastes" e de contrapoñer elementos antagónicos como os mates e os brillos. A súa paleta de cores non deixou de lado o xa conseguido azul Coleman ou o verde menta...coa intención de buscar a diferenciación do resto e dotar o total look de Coleman dunha personalidade propia. Á marxe dos apuntamentos sobre a súa última proposta, Coleman que se formou na Escola Felicidad Dulce de Allariz, non parou dende o inicio da súa carreira de diferenciarse do resto de propostas. Fuxe dos conceptos máis comerciais e reivindica un espazo distinto de aí que as veces os seus clientes e clientas estean localizados lonxe do territorio peninsular. A súa proxección vai ben encarrilada e obtén o recoñecemento nas críticas feitas polos especialistas da prensa especializada, tanto a nivel estatal, como internacional. Cunha visión distinta ábrese camiño o lucense Jorge Acuña. A igual que Coleman crea a súa propia marca no ano 2007 coa apertura dun atelier en Madrid. Traballa fundamentalmente a costura e aínda que a súa produción relacionase directamente coa demanda da súa clientela a súa sona levouno a presentar no espazo Off de Cibeles a súa colección para o vindeiro outono-inverno e desfilar no Museo do Traxe de Madrid. Jorge Acuña confesoulle a Praza: "Este año atrevinme a dar o paso coa presentación pública dunha colección e o resultado foi satisfactorio". Aínda que é partidario de traballar con conceptos comerciais e manter a experimentación nun segundo plano, desta volta arriscou buscando un equilibrio entre "o vangardista, o futurista e as ferramentas tradicionais da costura". Entre chanzas, Acuña di, que está nun paso intermedio cara o futuro. E por vez primeira introduce na explicación da súa colección elementos do seu mundo onírico como "os insectos" nos que se detivo a mirar a súa forma para confeccionar unha colección "máis arquitectónica, harmoniosa que vaporosa o que resultou dificultoso dende o punto de vista técnico pero que resolvemos axeitadamente". O que non cambiou e o seu gusto polas cores extremas: vermello, marelo, branco, negro e a elección de telas agradecidas como o veludo ou as sedas para realzar a beleza feminina e a sofisticación sobria. Outro dos modistos galegos que destacan alén das nosas fronteiras é o betanceiro Jorge Vázquez. A pesar de comezar a súa carreira nos circuítos comerciais e distribución en grandes almacéns reorientou a súa carreira para apostar polos traxes de cerimonia. Montou o seu propio taller de costura e converteuse nun especialista no deseño deste tipo de vestimenta. Vázquez cre que "a confección no atelier dálle un valor engadido á prenda ao ter unha relación directa co cliente ou clienta". A modo de exemplo explica que "os traxes de costura das grandes firmas moitas veces no están ao alcance de todos os petos e acudir a propostas como a nosa é unha solución e unha garantía de que non vai ir ninguén vestido como vas ti". No seu xeito de traballar, e a diferenza do que ocorre co resto dos seus colegas, non existe o concepto colección ao traballar por encarga e tendo en conta as peticións dos clientes. Porén o recoñecemento a súas creacións son unánimes e o seu ritmo de produción colócano á cabeza dos deseñadores de traxes de cerimonia no conxunto do Estado. Gonzalo Vázquez completa o cadrado de novos valores da moda galega. G.V. é sen dúbida o máis politicamente incorrecto e heterodoxo de todos. É por definición irreverente e non dubida en sorprender ao que escoita con frases como : "A min non me gusta vestir princesas". Concibe a moda como unha prolongación de distintas disciplinas artísticas e o seu mundo conceptual está repleto de referencias teatrais, poéticas, escultóricas e pictóricas. Incluso na saliña de espera na que agardan os clientes e clientas ademais dunha colección de botóns hai libros de poesía e algunha novela. Como un non pode ser orixinal en todo, comparte admiración e case veneración pola figura de Alexander McQueen, e unha preferencia polo termo vestiario. Hai un ano que abriu o atelier "porque quero recuperar o concepto da Maison en moda" e foi en novembro cando presentou a súa primeira colección na Igrexa da Universidade en Compostela. Non defraudou e a coidada posta en escena superou os pequenos tropezos dalgún modelo principiante. Agora traballa xa na de verán e adianta para Praza as liñas básicas dunha obra en plena produción: "chaquetas xastre, pantalóns curtos, moito branco e ausencia de estampados". Os catro, Coleman, Acuña, Jorge Vázquez e Gonzalo Vázquez saben que conviven cos eternos nomes da moda galega: Adolfo Domínguez, Roberto Verino ou Kina Fernández pero son sabedores de que xa se está producindo o recambio e que os máis críticos na industria que acusaban a moda española de estar estancada e aportar pouco ao panorama internacional empezan a chiscar o ollo ante as novas achegas dos deseñadores galegos e galegas. |
NOS_51218 | "Había que facer o que había que facer", asegurou o presidente español, que acusou o independentismo de "adoutrinar crianzas". | Non houbo referendo algún en Catalunya e os feitos deste 1-O – con 720 persoas feridas nas cargas e accións policiais- son para Mariano Rajoy exclusiva responsabilidade dos independentistas, "que promoveron a violación da legalidade e a convivencia". O presidente español non se moveu nin unha miguiña do discurso duro que o seu goberno mantén a respecto da cuestión catalá. Rajoy proclamou que o "estado de dereito" español goza de boa saúde e que "reacciona contra os que o queren subverter". Unha reacción, chegou a dicir, con "eficacia e serenidade", o que choca coas imaxes de cargas policiais que se puideron ver ao longo deste domingo. O referendo foi unha simple "escinificación", protagonizada por aqueles que "superan todos os límites" e que "adoutrinan nenos e sinalan xuíces e xornalistas". Rajoy anunciou que comparecerá no Congreso dos Deputados para dar explicacións, agradeceu o apoio dos partidos constitucionalistas. |
PRAZA_6648 | O voceiro socialista lémbralle ao presidente da Xunta que "o paro, a pobreza e a desigualdade aumentan cada día" en Galicia e critícalle a súa "falta de credibilidade" tras fracasos en promesas como a carga de traballo para o naval ou o concurso eólico. | O voceiro parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, acusou a Feijóo de dirixir un Goberno que non achega solucións aos principais problemas de Galicia, "o paro, a pobreza e a desigualdade", que "aumentan cada día" co actual Executivo galego. O deputado socialista negoulle ao presidente da Xunta calquera discurso triunfalista e lembroulle que só se poderá falar de recuperación cando as cifras de desemprego volvan a termos anteriores á crise ou cando a cidadanía recupere os seus dereitos. "O paro, a pobreza e a desigualdade aumentan cada día", lémbralle Méndez Romeu a Feijóo Logo dun repaso á situación de Galicia, Méndez Romeu preguntouse "de que servía" pactar co PP logo de que o Executivo de Feijóo "incumprise os compromisos" adquiridos cos socialistas no anterior Debate do Estado da Autonomía ou tras ver como o presidente "propón agora" plans de emprego ou de transparencia "que xa foran propostos antes" polo PSdeG. O voceiro socialista acusou ademais a Feijóo de "converter Galicia nunha filial da Moncloa ou de Génova" e recriminoulle con dureza que se enterase pola prensa da intención de Navantia de trasladar parte da construción do flotel por parte de Navantia de Ferrol a Puerto Real. "Vostede quere ser ministro, só así se pode exlicar que non defenda os intereses dos galegos por riba dos do seu propio partido", díxolle Méndez Romeu, que sinalou o presidente da Xunta por "estar ocupado na súa promoción persoal e nos intereses do PP". O PSdeG reclama a Feijóo un plan de emprego cotado con 400 millóns para crear 50.000 empregos en dous anos Ademais, Méndez Romeu pediulle a Feijóo un plan de emprego dotado con 400 millóns para crear 50.000 postos de traballo en dous anos, destinado especialmente aos novos, a parados de longa duración e co obxectivo tamén de estimular "a volta daqueles que tiveron que emigrar". "Con vostede, o plus de resistencia respecto do Estado desaparece e cada mes nos distanciamos de España", dixo o voceiro socialista, que insistiu "na falta de credibilidade" das promesas do presidente, en alusión á falta de carga de traballo de Navantia e aos seus compromisos incumpridos, que tamén atribúe ao "pouco peso" que ten en Madrid. "No sector naval prometeron 38 buques e só hai un anaco en Ferrol", engadiu. Por outra banda, Méndez Romeu fixo un repaso pola situación crítica dalgúns sectores, centrándose nunha sanidade "que comeza a ser un ben de consumo", os recortes dunha cultura que está "peor tratada ca nunca" ou a falta de políticas activas en sectores estratéxicos. Ademais, criticou a paralización do concurso eólico e das capacidades do sector e lembroulle a Feijóo que "a débeda galega vai disparada". O portavoz socialista tamén criticou a falta de políticas para axudar a mocidade, así como os recortes en educación ou a "volta da probreza". Para paliar isto último, propuxo mobilizar 180 millóns e outorgar unha "renda social" a aquelas familias -30.000 dixo- que non teñen ingreso ningún. Ademais, rematou falando de corrupción, algo que cre como un problema estrutural, tras advertir a Feijóo que as súas promesas de "rexeneración democrática" non serán cribles se el mesmo "non dá exemplo". |
PRAZA_7452 | Apartheid é separación. Democracia é equiparación, redistribución baixo os principios inquebrantábeis da igualdade, mérito e capacidade. O exemplar sempre debe estar por enriba do legal, e no caso da denuncia da trama sucesoria e das prácticas nepotistas de Baltar sénior e júnior é cando se fai máis necesario que nunca sentar un precedente xudicial nítido, limpo e claro | Nelson Mandela di que ninguén nace odiando a outra persoa pola cor da súa pel, orixe ou relixión. Aprenden a un á facelo. E desde logo hai un amplo abano de alteracións ou trastornos da aprendizaxe e da conduta asociados a psique humana que discorren entre a invención do dereito de pernada do feudalismo medieval ata as máis feroces atrocidades do réximes autoritarios. Coma o de Franco. Un fenómeno multiforme e universal que na muideza do "que hai do meu?" condensa a deturpación total da esencia da democracia Todo o que atopemos entre estes dous abominables feitos disque do pasado alicerzan a permanencia na actualidade de moitas reminiscencias propias desta zarracina. No medio deste marasmo senil destaca un modelo sobre todos, a relación de filiación gregaria patrón-protexido enramada nos resortes de poder político e arquicoñecida como o caciquismo clásico. Un fenómeno multiforme e universal que na muideza do "que hai do meu?" condensa a deturpación total da esencia da democracia, a vulneración do sufraxio universal e da proporcionalidade representativa en favor só de quen se somete a súa autoridade. No caso galego compre engadir a estes arrepiantes antecedentes outra podente variable para o análise, o todopoderoso pantocrátor da ultradereita española e galega, Manuel Fraga Iribarne, connotacións tardo franquistas e indulxencias engadidas para o xenocidio, a brutalidade e o sadismo da ditadura e o postfranquismo, aínda nunca repudiado nin condenado nin tan sequera censurado nin polo PP nin por Alberto Núñez Feijoo. O que en Alemaña por lei suporía directamente a inmediata inhabilitación para todo cargo político. Cos personaxes Baltar sénior e júnior, acada o cumio da especialización encarnando o xeito de partidismo máis noxento, agresivo, mordaz e descarnado posible, o exercido con tódalas garantías legais, con todo o peso do goberno e dos resortes de poder das institucións públicas E no tocante a Ourense e o caso Baltar resulta indispensable engadir outra galla máis á árbore, o aparello piramidal das cooperativas agrogandeiras dos centristas galegos do moi respectable Euloxio Gómez Franqueira, fundador de COREN, que teceu o ecosistema axeitado para o medre e engorde dunha nova especie de cacique disposto a achegar o seu peso específico non só á irreversibilidade da propia alma ou familia, senón tamén tentar podrecer a alma enteira dun país. E que cos personaxes Baltar sénior e júnior, acada o cumio da especialización encarnando o xeito de partidismo máis noxento, agresivo, mordaz e descarnado posible, o exercido con tódalas garantías legais, con todo o peso do goberno e dos resortes de poder das institucións públicas, de xeito reiterado e consciente, e sempre en discriminación e detrimento do outro, o diferente. Apartheid é separación. Democracia é equiparación, redistribución baixo os principios inquebrantábeis da igualdade, mérito e capacidade E neste punto da hipótese é onde cumpría establecer o agravante preciso para unha sentenza xusta. Un comportamento desta magnitude dado o seu impacto social xa non pode cinguirse só o eido da prevaricación e corruptelas dun cacique clásico. Estamos a falar dunha práctica sistemática, reiterada, rigorosamente orquestrada desde o propio goberno, de consciente e intencionada segregación sociopolítica e comparable ao mesmo apartheid surafricano cando comparten dous mesmos obxectivos básicos: a fenda total na equiparación de plenos dereitos e a teima obsesiva da perpetuación dun determinado colectivo cun status de privilexio mentres outros sofren sen reparo a marxinalidade absoluta. Apartheid é separación. Democracia é equiparación, redistribución baixo os principios inquebrantábeis da igualdade, mérito e capacidade. O exemplar sempre debe estar por enriba do legal, e no caso da denuncia da trama sucesoria e das prácticas nepotistas de Baltar sénior e júnior é cando se fai máis necesario que nunca sentar un precedente xudicial nítido, limpo, claro e de contornos ben definidos das gravísimas e irreparables consecuencias socioeconómicas que pode deparar a putrefacción total dun sistema de crenzas, valores, normas de convivencia, dereitos e deberes. |
PRAZA_18573 | REPORTAXE. Titiriberia mostra os avances posibles e, ao mesmo tempo, os obstáculos, para actualizar o teatro popupar de cachaporra | Dona Barriga Verde non permite que ninguén lle diga que debe facer coa súa vida. Nin o namorado que di "non poder separarse" dela "nin un segundo". Nin o crocodilo que pretende papala. Nin a morte. Nin o xuíz. A todos despacha a porradas, como sempre fixo o seu referente masculino, o tradicional personaxe de Barriga Verde. Así é a monicreque que a titiriteira Larraitz Urruzola presentou na III edición do festival Titiriberia. Unha Dona Barriga Verde que lle dá a volta aos estereotipos sobre as mulleres que reflectía o teatro tradicional de cachaporra. Este ano, o Titiribeira programou varias actividades relacionadas, precisamente, coa revisión das figuras femininas Este ano, o Titiribeira programou varias actividades relacionadas, precisamente, coa revisión das figuras femininas, así como coa reivindicación das titiriteiras mulleres neste tipo de teatro. Porque, como salientou, Comba Campoy, da Asociación Morreu o Demo, -organizadora deste festival celebrado en Teo-, ningunha tradición é estática. Ningunha cultura permanece igual a si mesma polos séculos dos séculos. E no teatro de cachaporra faltaba unha Barriga Verde. "O da personaxe feminina", explicou Larraitz Urruzola nunhas declaracións recollidas en nota de prensa, "nace porque vin a necesidade de encher un baleiro. Quería desfrutar de ver no escenario unha protagonistas que leve as rédeas da súa vida a desafiar as dificultades cotiás. Quería facer visible a loita, a coraxe e o compromiso das mulleres ao longo da historia, un labor que quedou oculto deliberadamente durante séculos polo patriarcado". Momentos antes dunha das pezas de teatro Dom Roberto Urruzola participou, no Titiribeira, nunha mesa redonda sobre as mulleres nos títeres tradicionais. "Nas historias tradicionais hai un heroe", -apuntou Comba Campoy-, que, tal como se apuntou nesta mesa, "tampouco é un prototipo de masculinidade. O Pulcinella en realidade é bastante andróxino. Pero é un pouco o espectador o que lle pon sexo. Mais, ao lado del, na tradición aparecen personaxes femininas que si están hipersexualizadas e estereotipadas como seres pasivos. Elas están agardando, pero sempre nun plano secundario. A peripecia xira arredor de quen casa con ela". É por iso, porque "iso non nos gusta nin a nós nin a moitas titiriteiras", -que as hai e sempre as houbo-, que "Larraitz decide montar a súa Dona Barriga Verde nunha clave distinta, desde unha perspectiva de xénero", sinala Campoy. No Titiribeira puido verse tamén, de feito, Angelita, da compañía catalá Tactilicuä, que se move tamén nesa óptica. Este espectáculo, ambientado nos anos 60 e feito con títeres de luva pero cos códigos do títere de cachaporra, conta a evolución dunha moza "que se decata de que o matrimonio non é o xeito de realización persoal que lle contaran. Argumento que se confronta co tradicional do teatro de cachaporra, no que o matrimonio é obxectivo vital das mulleres", indica Campoy. De Italia, precisamente, procede o Pulcinella, pai de toda a tradición europea do teatro de cachaporra No Titiribeira actuou tamén a italiana Lisa Bencivenni, representante no seu país da nova xeración de titiriteiros, que optou ademais pola tradición do teatro de bonecos de rúa. De Italia, precisamente, procede o Pulcinella, pai de toda a tradición europea do teatro de cachaporra, do que en España veñen Don Cristóbal, en Portugal Don Roberto e en Galicia Barriga Verde, segundo subliña Campoy. O traballo de Bencivenni, -continuador dalgunha maneira da recuperación do Pulcinella realizada desde os 70 en Nápoles por Bruno Leone e Salvatore Gato-, trata tamén de actualizar o repertorio tradicional na cuestión do xénero -para o que substituíu a tradicional monicreque feminina de pau, con movementos moi limitados, por un modelo de luva- ou da violencia. "De feito, no Titiribeira, cando ía haber violencia, paraba a escena e preguntaba se lle perdoaban ao personaxe. Aínda que os nenos dicían máis ben que non: querían cachaporra", comenta Campoy. A xestión non violenta dos conflitos foi tamén o centro, dentro da programación do Titiribeira, do obradoiro de títeres en igualdade A xestión non violenta dos conflitos foi tamén o centro -na liña da perspectiva de xénero e da concepción da tradición teatral como algo non inamovible-, dentro da programación do Titiribeira, do obradoiro de títeres en igualdade, realizado en colaboración coa Asociación de Pais e Nais de Persoas con Discapacidade Intelectual do concello de Teo, (Aspamite). A partir dunha escena típica do teatro tradicional de cachaporra de tradición inglesa -un conflito entre Punch e Judy no que el acaba agredindo a muller e o bebé-, proponse que as persoas participantes no obradoiro ideen, e representen, unha solución non violenta ao mesmo, construíndo os seus propios monicreques con material de refugallo. "Funcionou moi ben", asegurou Campoy. "Sempre saen solucións moi creativas e divertidas", engadiu. "Moitas veces o público descoñece os códigos da tradición do teatro de cachaporra, no que a unha violencia simbólica e diríxese contra a opresión e a autoridade" O tratamento da violencia de xénero no teatro tradicional fora xa obxecto de debate na primeira edición do Titiribeira, -lembra Campoy-, nun contexto no que estaba moi recente a detención e envío a prisión dos membros da compañía Títeres desde Abajo acusados -e finalmente postos en liberdade sen cargos- de enaltecemento do terrorismo. "Acontece que moitas veces o público descoñece os códigos da tradición do teatro de cachaporra, no que claro que hai violencia, pero é unha violencia simbólica que se dirixe contra a opresión e a autoridade", indica Campoy. Naquela primeira mesa redonda do Titiribeira, falárase tamén, en concreto, da representación da violencia de xénero. Unha realidade que aparecía no teatro tradicional como "algo naturalizado", e que "sen perder a esencia da tradición, podemos modificar", segundo Campoy. Ocorre que, dalgunha maneira, tanto a tradición foi levada por un camiño determinado, no aspecto político -incluíndo o xénero-. Do mesmo xeito que o que eran espectáculos pensados para un público interxeracional acabaron sendo identificados, e en boa medida reducidos, a teatro para nenos e nenas. Os espectáculos do Titiribeira, con todas as súas cachaporradas, funcionan moi ben co público infantil -que participa de xeito espontáneo falando cos bonecos-. Os espectáculos do Titiribeira, con todas as súas cachaporradas, funcionan moi ben co público infantil -que participa de xeito espontáneo falando cos bonecos- Desde a psicanálise -conta Campoy- tense relacionado esta realidade coa represión social da pulsión da agresividade. "As persoas adultas estamos máis condicionadas pola socialización, pola cultura, e se cadra cústanos máis entrar. Pero a ollada dos nenos e nenas é máis pura, menos prexuizada", afirmou. Mais a cuestión, -sinalou-, é que o teatro non é "unha gardería na que deixar os nenos unha hora", polo que o recomendable sería que os pais e nais acompañasen os fillos nas funcións. Durante a ditadura franquista, ademais, promocionouse un teatro de cachaporra cuxo sentido era o contrario do tradicional. Na clásica obra de Barriga Verde era este o protagonista, o heroe, que vencía a cachaporradas a quen se lle opoñía. Os seus adversarios -resume Campoy- adoitaban ser un indiano fachendoso -unha figura que representaba o emigrante que volvía presumindo do seu poder económico- ao que Barriga Verde mataba a paus, o cura que tras facerlle o enterro pretendía cobralo e acababa tamén cadáver, o policía -ou garda civil, ou cobrador de arbitrios- que corría a mesma sorte e, finalmente, o demo que viña levar a Barriga Verde, castigado, con el, mais que tamén saía escaldado. O demo, o cura, o xuíz, o policía, o garda civil ou o cobrador de arbitrios eran os personaxes arquetípicos, representantes, todos eles, do poder contra o que, dalgunha maneira, as clases populares expresaban, segundo a análise de Campoy, o seu malestar a través do teatro de cachaporra. O demo, o cura, o xuíz, o policía, o garda civil ou o cobrador de arbitrios eran os personaxes arquetípicos, contra os que, dalgunha maneira, as clases populares expresaban, o seu malestar a través do teatro de cachaporra Mais o franquismo, cando xa a tradición europea do teatro de cachaporra estaba a esmorecer, tratou de reavivala -mesmo creando unha escola especializada- mais invertendo o seu significado, segundo sinala Campoy. "O Gorgorito, que moita xente lembra, transmitía a moral dominante do réxime. Se Barriga Verde era un heroe popular antiautoritario, que loitaba contra o poder, na nova versión franquista hai "bos" e "malos", e a muller convértese, por exemplo, en bruxa", indica, de xeito que o potencial subversivo do teatro de cachaporra quedase anulado. Mostras do traballo realizado en Galicia non só para recuperar o sentido tradicional do teatro de cachaporra, senón para, moitas veces, ir máis alá del actualizándoo, foron no Titiribeira outros espectáculos coma A familia unida, de Mircromina, no que Cromina, despois de ser pai, ten que confrontar a súa natureza tendente á festa e o descanso ante unha oferta laboral vitalicia. Só que o ofertante, un "auténtico capitalista", explotador orgulloso, tracexara un plan secreto para facerlle traballar para el como escravo. O espectáculo preséntase coma unha "reinterpretación das obras clásicas de luva na tradición de Punch, Pulcinella e o Bululú, con inimigos como a autoridade, a paternidade, o dragón e a morte". Imaxe de 'Dona Barriga Verde' no Titiribeira e Diego Anido, ventrílocuo, no varietés E se, segundo Le Pendue, "Mr Punch, Pulcinella, Barriga Verde, Don Cristóbal, Don Roberto… Cromina, títeres de luva simples, manipulados e absolutamente libres, personifican marabillosamente a dualidade humana, a presión, a loita ou a coalición de contrarios complementarios", xa que "ambos, anxelical e demoníaco, este personaxe acepta tódolos contrarios, mostrándose e rindo deles a través da farsa, o que leva ó espectador a devolvelo á súa propia dualidade. Con todos estes contrarios loitando en cada un de nós, demostra así a indisociabilidade. No lugar de desprezar o conflito, actualiza o humor absurdo que xorde do impacto, e logra converter esta confrontación na fonte propia dun xogo moi cómico", tamén se mostra, neste espectáculo, coma por exemplo no Dona Barriga Verde, unha visión da paternidade e da maternidade afastada de mitificacións. No mesmo vieiro da crítica ao poder -aínda que se cadra con certa ambigüidade, relacionada coa comicidade, no tema do xénero e os abusos sexuais-, pode situarse Auga que non vas beber, de Fantoches Baj, no que o padre Bastián proxecta os seus desexos libidinosos sobre Carolina ao tempo que tenta impedir, apelando á moral, que se achegue demais -para os propios intereses do cura- ao seu veciño Xosé. Malia que Carolina, coma Dona Barriga Verde, -aínda que despois dun proceso-, acaba arrepoñéndose. A obra partiu, -lembra Campoy- da popular canción d'A Carolina e do imaxinario creado arredor dela. Mais integra tamén unha ducia de cancións latinoamericanas interpretadas en directo. Outra particularidade deste espectáculo é que, mostrando a variedade de técnicas do teatro de monicreques, xunta os bonecos cos actores, de xeito que os manipuladores son tamén actores, interpretan personaxes que interactúan cos monicreques. A proposta de Títeres Alakrán para o Titiribeira achegouse máis ao Barriga Verde tradicional, cun único manipulador e recuperando o uso da palleta A proposta de Títeres Alakrán para o Titiribeira achegouse máis ao Barriga Verde tradicional, cun único manipulador e recuperando o uso da palleta para pór a voz aos personaxes, -entre eles, os arquetipos do militar, o cura, e o indiano, de mentalidade conservadora-. Un feirante de roupa atópase cun famoso empresario que lle merca o tenderete enteiro porque é unha vella estrutura teatral que lle lembra a súa infancia nas romarías, espazo ideal ademais para volver representar o Barriga Verde. Máis perto da tradición sitúanse por outra banda as pezas que S.a.marionetas (Portugal) achegaron ao Titiribeira. Usando tamén palleta, -coma Dona Barriga Verde, que ademais repasou parte do repertorio musical infantil actual-. Esta veterana compañía herdou a tradición directamente do mestre António Dias, un dos últimos "fantocheiros" portugueses. E levou a Teo obriñas de Teatro de Robertos coma O castelo dos fantasmas, con monicreques nos que, entre outras cuestións, se podía percibir a androxinia do monicreque tradicional, sen renunciar porén ás tramas máis clásicas coma o rescate da princesa. Outra compañía moi comprometida coa recuperación do títere tradicional como é Viravolta tivo que mudar o seu programa no Titiribeira, por mor do temporal, substituíndo a obra Todos ao balcón por Vida, crimes e prisión de Toribio de Mañón, unha recreación "con formas do teatro popular, onde se contan as andanzas que lle deron sona a Mamede Casanova Toribio de Mañón, famoso bandoleiro galego de principios do século XX, e que levaron os seus ósos o cárcere. Nestas andanzas inspirouse Ramón María del Valle-Inclán para escribir a súa obra Las galas del difunto, segundo salienta Viravolta na súa web. Unha proposta de variedades -con cabaré, canción melódica, malabares, clown e monicreques- que quixo evocar o ambiente da barraca da familia Silvent E oportunidade de albiscar tamén a variedade -no aspecto formal e de orientación das temáticas- do teatro de monicreques foi o espectáculo de varietés, conducido por Iria Pinheiro e con música de Os Modernos-, que puido verse na Feira dos Francos de Teo na barraca de Barriga Verde, -a construída pola Asociación Morreu o Demo para recrear a orixinal- no medio dunha tremenda treboada contida por unha carpa. Unha proposta de variedades -con cabaré, canción melódica, malabares, clown e monicreques- que quixo evocar o ambiente da barraca da familia Silvent, que ofrecía tamén varietés, ademais de pezas de teatro de monicreques. Nunha versión -esta si- para adultos que por momentos amosou as ambigüidades, as contradicións e as dificultades de actualizar unha tradición coma a do teatro popular. Iria Pinheiro, cos Modernos Tras a primeira actuación de Iria Piñeiro e os Modernos, Tanxarina introduciron a parte de monicreques cunha parella de anciáns que fixeron entrar o público en materia, dándolle a benvida. A cousa quedou despois entre unha vaca e un boi, con Títeres Alakrán -Borja Insua-. Un vello leva a vaca ao boi -despois de dicirlle á muller que non se preocupase, que non ía baterlle á vaca, pois xa lle batía a ela-, pero o boi non dá feito, polo que será outro inesperado personaxe, moi coñecido en Santiago, o encargado de rematar a faena. Xa dixo despois Iria Piheiro que a peza tivera a "finura dun haiku", e que poderían chegar mensaxes de colectivos feministas -ou animalistas- "encantados" con ela. Foi despois a quenda de Mircromina, que escenificou un encontro entre un home e unha muller ao xeito de First Dates, el moi interesado en "consumar" a cita, mais atacado por un repentino hipo. "Enriba de sufrir o hipo, ter que sufrila a ela…", dicía, todo cabaleiroso. Mentres ela, seica esperanzada en solucionar, a través del, a súa xubilación, tentaba meterlle un susto. Actuaron despois -tras un fox troc de Iria-, Monicreques de Kukas, que ofreceron un espectáculo de mesa cos actores á vista. O conflito situouse aquí arredor da paternidade dun neno. O médico conclúe, tras varias probas de ADN, que a paternidade corresponde a un paxaro que cagara enriba do "Deus que te fixo", quen, levado pola ira, mata o suposto proxenitor. A cousa segue logo, no mesmo ton irreverente con tan divina familia, entre pombas, virxes, muíños e muiñadas. Foi despois que Iria se acordou dun colectivo tan partidario da liberdade de expresión coma Abogados Cristianos, ademais de admitir a súa envexa cara á Igrexa e a súa pericia coas artes escénicas. Un pouco máis tarde viñeron os que foron, quizais, os mellores espectáculos da noite, -ademais das sempre acertadas intervencións de Iria- co Diego Anido ventrílocuo e o Arturo Nono clown e malabarista. Anido presentou en Teo a Pédicrí, un coruñés que só fala coruñés, -e nunca galego-. Tivo que superar, primeiro, o seu medo a expresarse pois -lembrou- agora por calquera cousa -como lle pasou a Carlos Santiago no Entroido- a xente bótaseche enriba. Despois de atravesárselle, reiteradamente, a palabra "Sangggggggenjjjjjo", conseguiu dedicarlle unha "balada" patriótica a unha moza da Coruña que hai pouco cantou un fermoso himno con todo o seu "valor". Como para sacarnos, coma a Pédicrí, os lagrimóns. Arturo Nono levou, pola súa banda, ao seu amigo o mono, ademais de facer malabares, propoñer un pique de aplausos ou lembrar ao público unha canción -empoderadora para as mulleres- de Pimpinella. Tras tanta variedade e tantas emocións, xa dixo Iria que ela, que pensa que o cabaré debe ser transgresor, non sabía se a cousa lles acabaría saíndo, esa noite, máis próxima ao Luar do que podían desexar. E con outra canción rematou a noite de varietés. |
NOS_34299 | Cartolinas con lemas en defensa do dereito ao aborto libre e gratuíto foron penduradas en estatuas, portas de igrexas e en prazas públicas de máis de 20 concellos galegos nunha acción impulsada por Galiza Nova. | "Sexualidade non é maternidade: parir non é o destino da muller" ou "Na nosa cona non manda ninguén" son algunhas das mensaxes coas que amenceron estatuas, portas de igrezas e prazas de diferentes concellos galegos. DE Vigo, Redondela, Pontevedra, Tui, Cuntis aCompostela, Carballo. Ponteceso, A Coruña, pasando por Lugo, Burela, Ribadeo, A Pontenova, Foz, ou Fisterra, Ribeira, Ribadavia, Ourense, Lugo, Mondariz e Ponteareas. "A reforma de Gallardón é un verdadeiro atentado contra todas as mulleres" denunciou Lucía Veciño, Responsábel Nacional da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova. Segundo explicou, lemas como "na miña cona mando eu", "Sexualidade non é maternidade, parir non é o destino da muller", "sexo cando eu desexo e embarazo cando eu decido" ou "aborto legal nun hospital" foron algúns dos lemas empregados nesta acción. Desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova chaman a atención sobre a" volta ao pasado que suporá a Lei de Gallardón, e denunciamos que o PP pretende torturar ás mulleres que tomen a decisión de abortar, penalizando a quen tome unha decisión tan dura e traumática como é abortar, ao tempo que pretende arrebatar ás mulleres a capacidade de decisión sobre os seus propios corpos". |
PRAZA_16162 | Malia a lixeira mellora global nos datos a respecto de hai un ano, a Xunta segue sen ser quen de cumprir a obriga que se impuxo a si mesma en 2014 | Malia a lixeira mellora global nos datos a respecto de hai un ano, a Xunta segue sen ser quen de cumprir a obriga que se impuxo a si mesma en 2014 A Consellería de Sanidade fixo públicos estes venres os datos das listas de espera sanitarias a data do pasado 31 de decembro que reflicten unha lixeira mellora na media xeral de días que hai que agardar en Galicia por unha operación cirúrxica, 66,4, fronte aos 68,3 de hai un ano. Porén, esa cifra segue por riba do límite de 60 días que se fixou a si mesmo o Goberno galego e empeora aínda máis na área sanitaria da Coruña, onde pasa de 73,5 a 75,1 días, e no hospital concertado vigués de Povisa, que aumenta de 75,9 a 77,4 días. En total, máis de 33.000 persoas esperaban a 31 de decembro por unha operación en toda Galicia En 2014 o PP estableceu ao aprobar a Lei de Garantías Sanitarias un límite máximo de 60 días de espera para unha operación, cifra que a Xunta aínda non foi quen de rebaixar no conxunto de Galicia. Aquel ano o Sergas tamén deixou de dar os datos das esperas catro veces ao ano e pasou a ofrecelos só en dúas ocasións, evitando así revelar o crecemento que se adoita producir no terceiro trimestre de cada ano, o que coincide coas vacacións de verán do persoal e o peche de instalacións. Eses malos resultados dese terceiro trimestre dilúense agora en todo o segundo semestre, as cifras desveladas este venres, que son peores que as dos primeiros semestres do ano. Segundo os datos agora feitos públicos, a espera para operarse empeora nas áreas sanitarias da Coruña (de 73,5 a 75,1 días), Lugo (de 46,8 a 47,2), Ourense (de 42,1 a 43,4) e Pontevedra (de 38,2 a 41,1). Pola contra, mellora en Santiago (de 70,5 a 64,9) Ferrol (de 39,9 a 39,2) e na parte da área sanitaria de Vigo xestionada nos hospitais públicos (pasa de 94,5 a 88,6), mentres que en Povisa empeora (de 75,9 a 77,4 días). En total, máis de 33.000 persoas esperaban a 31 de decembro por unha operación en toda Galicia. A espera por unha consulta externa está en 46,6 días, tamén por riba do límite legal de 45 días Canto á lista de espera por consultas externas, a media global sitúase en 46,6 días, unha lixeira mellora a respecto dos 47,3 días de hai un ano, pero tamén por riba dos 45 días de máximo que fixou a lei, sendo Ferrol, con 61,8 días, a área sanitaria peor colocada e Pontevedra, con 35,6, a mellor. |
NOS_34818 | Na Galiza, máis de 850 persoas diagnosticadas de COVID-19 permanecen en illamento domiciliario. Recupéranse na casa porque cumpren algúns dos requisitos fixados polo Ministerio de Sanidade para estes casos. | Máis de 70% dos casos positivos por coronavirus na Galiza seguen desde as súas casas as recomendacións de coidados do Ministerio de Sanidade. Presentan síntomas leves e non cumpren os criterios de ingreso hospitalario acordados polas autoridades. Porén, deben atender unha serie de consellos para superar o contaxio e garantir unha convivencia segura dentro do propio domicilio. A persoa contaxiada pode vivir soa Non require vivir acompañada sempre e cando poida asegurar unha asistencia telefónica. Polo tanto, debe contar cun teléfono que garanta a comunicación permanente co persoal sanitario até a resolución dos síntomas. Cuarto propio Se a afectada convive con outras persoas é importante que dispoña dun cuarto propio onde poida permanecer illada. Un cuarto individual con ventilación ao exterior e a porta pechada. Comunicarse polo móbil A persoa contaxiada deberá comunicarse por móbil co resto das habitantes da casa, co fin de evitar saídas que comprometan a saúde das conviventes. Como norma xeral, o protocolo estabelece que non debería haber na casa persoas con condicións de saúde sensíbeis: de idade avanzada, enfermas crónicas, inmunodeprimidas, embarazadas… Con todo, cada caso valorarase de forma individual. Cuarto de baño Cando sexa posíbel, a doente illada deberá dispoñer dun baño para o seu uso exclusivo. Cando sexa necesario compartilo con outras residentes, haberá que limpalo con lixivia despois de cada uso. Tamén se recomenda que conte cun caldeiro para o lixo, de pedal e cunha bolsa de plástico fácil de retirar con todos os residuos que xere dentro da súa estancia. Zonas comunitarias Cando a paciente visite zonas comunitarias, deberá facelo con máscara respectando sempre unha distancia de seguridade co resto das persoas da casa de entre un e dous metros. Neste escenario, recomendan evitar calquera fonte de aire, fría ou quente. As zonas comúns deberán manterse ben ventiladas. Enxoval A persoa illada deberá contar cos seus propios pratos, vasos e cubertos, así como dispoñer da súa propia vestimenta, roupa de cama e toallas, e non compartir nunca o enxoval que use o resto das conviventes. O lavapratos e a lavadora poñeranse sempre a 60 graos e a roupa da persoa infectada haberá que lavala por separado. Medidas de hixiene A persoa enferma deberá seguir en todo momento as medidas hixiene respiratoria: cubrir a boca e o nariz ao tusir ou esbirrar co cóbado flexionado ou con panos de un só uso no cubo do lixo disposto para ela e lavar as mans con frecuencia, con auga e xabón ou con solucións hidroalcólicas. Visitas As visitas externas quedarán restrinxidas durante o tempo que dure o illamento. Porén, recoméndase dispoñer dun rexistro de entrada e saída diario das persoas que accedan ao cuarto de uso exclusivo da doente. |
NOS_24507 | Todos os tripulantes están a ser trasladados "en bo estado" ao porto irlandés de Castletownbere. | O pesqueiro Pedras, con base en Marín e bandeira británica, afundiu finalmente esta cuarta feira após ficar durante horas á deriva e escorado por mor dunha vía de auga producida a unhas 64 millas ao suoreste de cabo Mizen, en Irlanda. Os once tripulantes foron rescatados polo barco de pesca Armaven Un e xa foron levados ao porto irlandés de Castletownbere. Segundo informa Salvamento Marítimo a Europa Press, contra as 16.25 horas confirmouse o afundimento do pesqueiro. Ás 10.16 horas destea cuarta feira recibiuse a chamada de socorro do Pedras por unha vía de auga. Rescatan con vida a tripulación dun pesqueiro galego á deriva no Gran Sol Así, activouse un despregamento de medios aéreos e marítimos irlandeses, aínda que a tripulación foi rescatada "en bo estado" polo Armaven Un. Ambos os pesqueiros están asociados á Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi). Deste modo, prevese que cheguen a Castletownbere, no condado de Cork, contra as 22 horas desta mesma cuarta feira. Aliás, púidose recuperar a radiobaliza. O barco estivo á deriva durante varias horas con lume a bordo e forte escora de babor após o rescate ocorridos en augas do Gran Sol. Aínda que dous dos tripulantes tentaron tapar a vía de auga, non se puido evitar o naufraxio. O pesqueiro da armadora Nia Ltd, do grupo Noray Pesca, foi construído en 1976. Partiu de Marín o pasado 16 de maio. Entre os once tripulantes hai once persoas de nacionalidade española —a meirande parte deles galegos—, marroquíes e ganeses. |
NOS_31259 | Nun mitin masivo en Carballo o candidato nacionalista expresou o seu compromiso de o BNG "ser dique de contención contra os recortes". | O mitin que o BNG realizou esta segunda feira en Carballo, unha das súas prazas fortes na provincia da Coruña, contou cunha participación masiva. Desde un auditorio ateigado o candidato Francisco Jorquera anticipouse ao debate electoral que enfrontaría pouco despois a Feijóo e Pachi Vázquez asegurando que as opcións de cara aos comicios do 21-O eran só dúas. Elixir "o modelo do continuísmo das políticas fracasadas do Partido Popular" ou escoller "as alternativas do BNG contra os recortes e a prol dunha saída social á crise". Jorquera afirmou que as propostas que formula o BNG son "a única vía para acadar o cambio real que Galiza precisa", comprometéndose a que a fronte nacionalista actuará como "verdadeiro dique de contención contra os recortes". Un dique en que dar acubillo "á xente traballadora, pequenos e medianos empresarios, autónomos ou mocidade" e con que enfrontar as políticas de Rajoy evitando que se sinta lexitimado para seguir a empobrecer salarios e pensións. Ao fío das últimas enquisas, o cabeza de lista nacionalista volveu insistir na idea de que "medra a desafección cara ao PP na mesma medida en que crece a simpatía cara ao BNG" polo que "cada día que pasa vese máis clara a derrota do PP". |
PRAZA_3199 | Co pano de fondo da sanción imposta polo Poder Xudicial, a xuíza desbota dividir o caso como pide o fiscal, ao que critica por "afastarse radicalmente" do criterio dos seus predecesores na causa. Dedica máis de 400 páxinas a debullar o caso para concluír que non é posible "analizar as condutas illadamente" e defende que repartir a operación sería "inxusto", xeraría "dilacións" e abocaría algúns dos delitos á "impunidade" | Fin dunha era na política e na xudicatura en Galicia. A xuíza Pilar de Lara xa non é a titular do Xulgado número 1 de Lugo, dende o que instruíu casos tan mediáticos como as operacións Carioca e Pokémon, entre outros. Fontes xudiciais confirman que dende este 30 de xaneiro é efectiva a sanción que lle interpuxo o Consello Xeral do Poder Xudicial por "unha falta moi grave de desatención no exercicio das súas competencias". A mesma que o Tribunal Supremo desbotou suspender hai poucos días e que implica a perda do seu destino en Lugo. Dende este 30 de xaneiro é efectiva a sanción interposta a De Lara polo Poder Xudicial, que pola súa duración implica a perda do seu destino nos xulgados de LugoDe Lara vese obrigada a abandonar Lugo apenas unha semana despois de rexeitar a petición da Fiscalía para dividir en ata unha trintena de pezas o asunto central do que foi un dos seus casos estrela, a Operación Pokémon, de cuxos primeiros pasos se cumprirán nove anos o vindeiro abril. A instrución xudicial levou por diante cargos políticos de cores diversas e acumula máis de duascentas persoas investigadas. A maxistrada aseguraba neste auto, datado no 23 de xaneiro e a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, estar a piques de finalizar a instrución.O derradeiro auto sobre a Operación PokémonCon este pano de fondo, hai poucos días o novo fiscal do caso, Manuel Lamas, dirixiu un escrito á xuíza solicitando dividir nunha trintena de pezas o asunto central da operación, o que atinxe ao grupo de empresas Véndex, ao que De Lara sitúa no centro da presunta trama corrupta de adxudicacións irregulares, comisións ilegais ou subornos, entre outros delitos. Para o Ministerio Público, non está "xustificado" manter unha única causa que derivaría nun xuízo "cuns 250 acusados" sen conexión entre si. De Lara respondeu a esa petición nun auto tan amplo en extensión como duro contra os argumentos do fiscal, a cuxa petición só accede en dúas pólas do caso, as que afectan a un concello catalán e outro balear. No mesmo deixaba entrever a súa intención de envialo a xuízo mesmo antes de que fose efectiva a sanción, algo que xa non sucederá, porque o caso xa non depende dela.Segundo ese auto, para De Lara os argumentos do fiscal para pedir a fragmentación da causa "non deixan de ser sorprendentes" porque "supoñen unha desviación do criterio" sostido ata agora "polos diferentes fiscais que levaron a causa", de "cuxo razoamento uniforme se afasta radicalmente", reprocha. Así, exemplifica, cando no ano 2013 emitiu un auto debullando os presuntos delitos ligados a Véndex dentro de Galicia, Fiscalía non recorreu."Non se acaba de entender -reprocha a xuíza- en que criterios fácticos e xurídicos se basea agora o fiscal" para que "o que segundo os seus propios compañeiros era 'organización' e 'concerto" entre os diferentes feitos atribuídos a Véndex, "agora, deixe de selo". Ademais, abonda, "resulta insostible" que a Fiscalía "tardase tantos anos en advertir unha suposta falta de conexidade entre os feitos investigados" agrega antes de atribuír ao escrito do Ministerio Público diversos erros na descrición dos feitos.A xuíza dedica máis de 400 páxinas a debullar o caso para concluír que non é posible "analizar as condutas illadamente" e defende que repartir a operación nunha trintena de pezas sería "inxusto", xeraría "dilacións" e abocaría algúns dos delitos investigados á "impunidade"Neste punto, De Lara dedica máis de 400 páxinas a "resumir, co suficiente grao de concreción, a actividade investigada" dun caso que xa se estende por máis de 100 tomos e no que advirte ata 17 condutas delituosas diferentes. Ela non dubida da "existencia dunha auténtica organización que responde a unha estrutura xerarquizada e a unha mesma política empresarial consistente na obtención de concursos de xeito presuntamente ilícito en connivencia con autoridades e funcionarios públicos a cambio da entrega de cartos, agasallos, contratación de enchufados e prestación doutra clase de favores"."Non podemos analizar as condutas cometidas illadamente" nun caso que "non pode separarse por tramas, como pretende o fiscal", di a xuíza. Neste sentido, recalca que "como é lóxico e normal, para poder cometer delitos contra a administración pública, os empregados de Véndex recorren a distintos funcionarios e autoridades". Pero isto non é dabondo, cre, para fragmentar o caso. Ademais, considera, repartir a instrución por ata 32 xulgados de toda Galicia sería "inxusto" para os acusados, traería consigo novas "dilacións" do proceso e "abocaría á impunidade" unha das acusacións, a de "asociación ilícita" que se atribúe aos responsables de Véndex. |
PRAZA_15031 | O lexislativo galego formalizou a finais de outubro o contrato de compra de 85 portátiles para os que esixiu o sistema operativo de Microsoft, renunciando de antemán a alternativas de software libre | O vindeiro día 16 constitúese o Parlamento da novena lexislatura autonómica, o último -se o PP cumpre o seu programa electoral- con 75 escanos electos. Unha semana despois, a máis tardar, o lexislativo galego recibirá os ordenadores que mercou a través dun concurso público iniciado o pasado setembro para, por vía de urxencia, adquirir 85 portátiles e outras tantas impresoras. Ese é o día no que expira o prazo para realizar a entrega dos equipos, toda vez que o prego de condicións do concurso establecía que non podería transcorrer máis dun mes dende a formalización definitiva do contrato, celebrada o 23 de outubro coa empresa adxudicataria, El Corte Inglés. Atendendo ao que figuraba no devandito prego e tal e como adiantou Praza Pública, os deputados e deputadas non terán a opción de elixir con que sistema operativo queren traballar nuns ordenadores portátiles que, por outra banda, veñen amosar de novo a escasísima utilidade dos ordenadores adosados aos escanos, instalados por orde da Presidencia cando rexía a institución Dolores Villarino. Segundo este documento o Parlamento reclamou que os equipos informáticos traian instalado Windows 7 na súa versión profesional e que as impresoras, á súa vez, teñan garantida a "compatibilidade" co sistema operativo de Microsoft. O impacto do contrato nas arcas públicas será de 119.000 euros Malia á existencia de múltiples alternativas de software libre -algunhas promovidas pola propia Xunta como Galinux- e aínda que Microsoft está xa a lanzar unha nova versión do seu produto estrela, o Parlamento decántase por unha compra que, malia non amosar o desglose do contrato, encarece notablemente a compra, dado que as licenzas de Windows na versión que está a mercar roldan os 200 euros. Neste contexto, o paquete total de ordenadores e impresoras terá un impacto total nas arcas públicas de 119.049,28 euros, a "oferta economicamente máis vantaxosa", segundo os documentos da contratación, e que rebaixa en apenas 3.000 euros o importe que o Parlamento fixou na licitación -cantidade que estaba disposto a pagar como máximo-. Coa formalización deste contrato ademais dos equipos informáticos a Cámara galega faise tamén cunha serie de servizos asociados, como unha garantía de catro anos ou o mantemento. Deste xeito, El Corte Inglés terá que responder as posibles incidencias técnicas en trinta minutos "dende a notificación" se esta se produce entre as oito da mañá e as oito da tarde, de luns a venres. A avaría terá que estar solucionada en corenta e oito horas e, se non o está, a empresa "deberá proceder á substitución do equipo por outro de similares características" ata que o orixinal funcione con normalidade. |
PRAZA_13223 | O Moghreb Atlético de Tetuán (MAT) alzouse co campionato da primeira división de fútbol ao imporse ao FUS de Rabat por 1 gol a 0. É a primeira vez que gaña a liga este equipo, singular por ter xogado na Primeira División española, cando o norte de Marrocos aínda era unha colonia, e por ter un acordo de máxima colaboración co clube do Manzanares. Unha crónica de Correo Diplomático. | O Moghreb Atlético de Tetuán (MAT) alzouse co campionato da primeira división de fútbol marroquí ao imporse ao FUS de Rabat por 1 gol a 0. Grazas ao tanto conseguido polo dianteiro Abdelkrim Benhania no minuto 4 da segunda parte, os tetuanís, a quen lles valía o empate para gañar a competición, consolidaban a súa posición na cabeza da a táboa clasificatoria fronte ao seu inmediato perseguidor e rival directo do encontro, o FUS. Era a primeira vez que o MAT se impuña na Botola, como se coñece popularmente no dialecto árabe marroquí á liga de fútbol profesional, e de aí a grande expectación suscitada polo encontro no complexo deportivo Mulay Abdelá da capital, que rexistrou un cheo absoluto. Unha vitoria de todo o Norte Decenas de miles de seareiros chegados de todo o norte de Marrocos, pero tamén de España, onde reside unha importante comunidade oriunda desta zona, deron ambiente ao estadio coas súas camisetas branquivermellas e chapeus tradicionais. "É moito máis que unha simple vitoria. Como marroquís do norte que somos, da zona que foi Protectorado Español, histórica e culturalmente diferenciada do resto do país, o que o MAT conseguiu hoxe é un fito histórico", declara en español un eufórico Mohamed, quen veu a ver o partido a Rabat desde o seu Fnideq, localidade fronteiriza con Ceuta. "Non é unicamente unha vitoria de Tetuán, senón de todo o Norte", sostén tamén na lingua de Cervantes Morade, un oriundo de Tánxer que acudiu a ver o partido cunha camiseta do Atlético de Madrid, equipo de fútbol moi vinculado co MAT. "Isto é o máis grande. A malleira mereceu a pena!", berra eufórico ás portas do estadio Simo, "un madrileño de Tetuán", como el mesmo se defíne, quen veu ver o partido en coche desde a capital de España, onde naceu hai 26 anos, acompañado por varios amigos. Un clube moi vinculado a España O Club Atlético de Tetuán chegou a militar en Primeira División española durante o Protectorado, logrando cotas impensables para un equipo modesto, que na tempada 1950/1951 viviu o ascenso á máxima categoría do fútbol español A fundación oficial do Club Atlético de Tetuán produciuse o 12 de marzo de 1933, aínda que as súas raíces hai que buscalas algúns anos antes. En 1918, froito da fusión de tres clubs, o Hispano Marroquí, o Tetuán C.F. e o Radio, creábase o Athletic Club, equipo que desaparecía meses despois. En 1933, e baixo a denominación de Athletic Club Tetuán nacía o equipo branquivermello. En pleno Protectorado Español, a relativa proximidade con Tetuán fixo que decenas de afeccionados ceutíes, especialmente nos seus anos dourados, se fixesen incondicionais do Atlético Tetuán, acudindo con frecuencia aos seus partidos. O Club Atlético de Tetuán chegou a militar en Primeira División española durante o Protectorado, logrando cotas impensables para un equipo modesto, que na tempada 1950/1951 viviu o ascenso á máxima categoría do fútbol español. O club tetuaní relacionouse cos mellores conxuntos españois da época, nunha tempada na que militaban na primeira división o FC Barcelona, Athletic de Bilbao, Real Madrid, Atlético de Madrid, Sevilla FC, Valencia CF, Real Sociedade, Real Valladolid, Celta de Vigo, R.C..D. Coruña, Real Xixón, Real Santander, Real Zaragoza, Ou.D. As Palmas e o R.C.D. Español. O Atlético de Madrid marroquí En 2007, o equipo colchoneiro e o MAT acordaron a creación en Tetuán dunha asociación de seguidores e unha escola de fútbol vinculada ao clube español Máis aló de compartir as cores da camiseta, o MAT mantén unha estreita relación co Club Atlético de Madrid de fútbol. En 2007, o equipo colchoneiro e o MAT acordaron a creación en Tetuán dunha asociación de seguidores e unha escola de fútbol vinculada ao club español. No acordo contémplase que os responsables do Atlético de Madrid poderán participar como observadores na xunta xeral do MAT. Os seguidores marroquís do Atlético de Madrid anunciaron nesta ocasión a creación da Asociación Española de seguidores do Atlético de Madrid. O presidente da Asociación de Amigos e Simpatizantes do Atlético de Madrid, Youssef Salama, sinalou entón que esta asociación entre os dous clubs era un paso importante que permitiría ao MAT fortalecer o seu potencial. Os resultados están á vista. Correo Diplomático |
NOS_51036 | Formou parte da equipa que verqueu ao galego o Ulises, merecente do premio estatal de Tradución. Eva Almazán fálanos da situación da tradución no A Fondo que publicamos a quinta feira 5 de marzo (disponíbel aquí). | Eva Almazán está acostumada a navegar entre dúas augas: a da lingua orixinal e a da lingua para que traduce. Forma parte desa nova xeración de profesionais con formación universitaria que provocaron toda unha revolución na tradución literaria galega. -Ti pertences á nova xeración de tradutores ao galego con formación universitaria específica. Que impacto tivo a vosa incorporación na tradución ao galego e que mudanzas produciu? -Por volta do 2000 houbo unha revolución na tradución literaria galega, que ata entón fora un exercicio de militancia galeguista. As editoras apostaron por normalizar a tradución recorrendo aos primeiros licenciados en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. Foi unha retroalimentación: as editoras puxéronse a traducir en serio porque tiñan a quen encargarlle o choio e os tradutores profesionalizámonos porque as editoras nos facían encargas en condicións. Nun sistema normal ten que haber tradutores profesionais que fan o groso do traballo e de cando en vez a contribución especial dunha persoa allea ao gremio (escritores, docentes, filósofos...). Nese senso deuse un paso importantísimo cara á normalización do sistema editorial galego. -E iso alterou o panorama da tradución ao galego? -Ao meu ver esa mudanza foi definitiva. Os lectores afixéronse a ler clásicos e novidades sen linguas interpostas nin esperas. Hoxe publícase moita menos tradución ca hai uns anos pola crise económica, mais intúo que é unha conxuntura cuantitativa e que o cambio cualitativo non ten volta atrás.Veremos. "Hoxe publícase moita menos tradución ca hai uns anos pola crise económica, mais intúo que é unha conxuntura cuantitativa e que o cambio cualitativo non ten volta atrás.Veremos." -Como ves o futuro da tradución ao galego en formato libro, quer papel quer electrónico? -Como lectora escollo sen dúbida o libro en papel, mais como tradutora prefiro a versión dixital. Unha biblioteca electrónica facilita e mellora enormemente o labor de tradución. O malo é que os tradutores galegos estamos en desvantaxe, pois o groso das nosas obras de referencia só están dispoñibles en papel a diferenza do que ocorre noutras linguas. E ademais imos para atrás (desapareceu a EGU en liña e Cumio xa non edita en CD, por exemplo). Cómpre avanzar moito por esa vía. -Ti es hoxe unha das tradutoras de referencia de obras literarias ao galego. Como percorriches ese camiño? -Son tradutora editorial pola suma de eleccións propias e circunstancias dadas. Tras licenciarme en Tradución traballei en investigación (estudos de posgrao) e tradución comercial (xeral, técnica, xurada), mais co tempo funme especializando en tradución de libros e revistas. Por estar alí e entón cadroume formar parte da nova xeración de tradutores profesionais que estaban a mudar o panorama da literatura en galego (e ás veces tamén representala, cousa para a cal non me dou moito xeito; prefiro mil veces traducir unha entrevista allea ca contestala). -A tradución coral do Ulises, e o premio á mellor tradución do Estado en 2013, chega nun momento doce. Que supuxo o galardón, e que experiencias tiras do traballo en grupo? -Xa tiña experiencia en tradución colectiva, que sempre me parecera unha boa forma de traballar en casos concretos. O Ulises é un deles, unha obra tan multidimensional, rica e complexa que a suma de competencias sempre enriquece o resultado. Ademais os catro tradutores queriamos dar o mellor de nós en prol dun proxecto máis importante ca a nosa carreira individual. A experiencia foi positiva en todos os sensos. O Premio Nacional é un fito da historia cultural galega. Veu para Galicia contra todo prognóstico grazas ao labor xeneroso e afouto de toda unha comunidade. É un premio de moitos, de todos e para todos. A Xeración Nós trouxo o Ulises a Galicia para dicir: velaquí estamos os galegos, cunha lingua de primeira coa cal traducimos a vangarda da literatura. Que a tradución actual do Ulises reciba un premio fóra das nosas fronteiras culturais cumpre esa vocación expansiva dos devanceiros. Nese senso o premio ten gran valor simbólico. Vai asociado a moito máis ca as virtudes ou defectos técnicos da tradución e así ha de ponderarse. "O Premio Nacional veu para Galicia contra todo prognóstico grazas ao labor xeneroso e afouto de toda unha comunidade. É un premio de moitos, de todos e para todos." -De que tradución te sentes máis satisfeita? Cal pensas que tivo máis éxito, pegada e impacto no mundo da edición e os lectores galegos? -Nunca me sinto totalmente satisfeita, xa que o noso labor é tan aberto que xamais se pode dar por rematado. É unha sensación universal dos tradutores e imaxino que doutros profesionais da creación. No meu caso penso cun calafrío nas miñas traducións e evito relelas. Con todo, unha das traducións das que menos me arrepinto quizais sexa o Brooklyn Follies de Paul Auster. Aí atrás tiven que relela e cotexala co orixinal; empecei con medo, mais fun acougando ao ver que fixera un traballo digno reproducindo o estilo de Auster. Ademais Brooklyn Follies foi un dos títulos máis representativos da revolución da tradución da que falabamos, símbolo da vontade e da capacidade de Galicia para participar do mercado literario internacional sen atrasos nin complexos. Foi unha aposta valente da editora que funcionou ben cos lectores e coa crítica e que abriu o camiño novo polo que transitamos agora. |
NOS_17129 | Abel Losada denuncia que Feijoo "escamotea a información e escamotea as súas políticas tanto á cidadanía como ao Parlamento de Galicia" | O Grupo Parlamentario Socialista reclama que se celebre un Pleno extraordinario para que comparezan tod@s @s conselleir@s do Goberno de Feijoo co fin de coñecer as futuras liñas de actuación futuras da presente lexislatura. Asegura o voceiro, Abel Losada, que "é a primeira vez que non se celebra esta comparecencia ao principio de lexislatura", por iso insiste "os cidadáns deben coñecer o que pensa facer Feijoo ao longo de catro anos". Losada denuncia que Feijoo "escamotea a información e escamotea as súas políticas tanto aos cidadáns como ao Parlamento de Galicia". Afirma que o PP segue a estratexia de sempre "non conta o que vai facer porque iso permítelle saltarse o programa electoral que votaron os cidadáns e que dixo que non ia facer". Sinala que esta folla de ruta da dereita "defenden os intereses privados e os seus beneficios partidarios, en detrimento dos servizos públicos fundamentais". |
NOS_52976 | A Fiscalía pide oito anos de prisión para o dianteiro do Real Club Celta. | A primeira sesión do xuízo contra os futbolistas Santi Mina e David Goldar por unha presunta agresión sexual cometida en Almería en 2017 decorreu a porta pechada, após a petición compartida dos avogados de ambos acusados e da presunta vítima para preservar a "máis estrita intimidade" dos tres implicados. O tribunal, despois dun receso de 3 minutos, acordou que a primeira sesión si tería lugar a porta pechada, mentres que as outras dúas previstas, que decorrerán a cuarta e a quinta feira, serán en audiencia pública, a pesar de que os letrados da vítima pediran que a totalidade das sesións foran de carácter pechado. Neste sentido, a Fiscalía, encargada de formular acusación contra o xogador do Real Club Celta de Vigo, xa adiantara a súa conformidade para que, cando menos, a declaración da vítima decorrese a porta pechada "en caso de que a prexudicada o solicitara". Asemade, tamén pediu para a moza presuntamente agredida o acompañamento de funcionarios do Servizo de Asistencia de Vítimas de Andalucía (SAVA), así como que a súa comparecencia puidese ter lugar por videoconferencia ou "algún outro sistema" capaz de "evitar a confrontación física" cos procesados. Oito anos de prisión O futbolista Santi Mina enfróntase a unha petición do Ministerio Público de oito anos de cárcere como presunto autor dun delito de agresión sexual recollido nos artigos 178 e 179 do Código Penal. Para David Goldar solicitou sobresemento; non así a acusación particular, polo que o cita a xuízo en calidade de testemuña. Á marxe da pena de prisión, o fiscal pide que se impoña unha medida de liberdade vixiada por un período de dez anos e que se lle prohiba achegarse a unha distancia inferior a 500 metros á vítima ou comunicarse con ela polo mesmo período de tempo. Pola súa parte, a acusación particular interesa para ambos os acusados penas de nove anos e seis meses de prisión; a Mina sinálao como presunto autor principal, mentres que Goldar é acusado en calidade de "cooperador necesario". Subliña para ponderar a pena de cárcere solicitada a "violencia" e "intimidación" exercida dada a localización na que se produciu a presunta agresión, a pertenza e a superioridade física de ambos os futbolistas. O escrito de cualificación provisional do Ministerio Público, ao que tivo acceso Europa Press, recolle que Mina accedeu na madrugada do 16 de xuño de 2017 a unha caravana estacionada nas proximidades dunha coñecida discoteca de Mojácar e en cuxo interior estaban "o seu amigo", o tamén futbolista galego David Goldar —actualmente na UD Ibiza—, e a vítima. A Fiscalía sostén que tería entrado "completamente espido" e que, "con ánimo libidinoso para satisfacer o seu apetito sexual e a pesar da manifesta vontade contraria da vítima", se dirixiu a ela dicíndolle: "Mira, moza, ti préstasme moito e creo que deberiamos facer algo". Cando a muller lle contestou que iría á caravana "con David", o escrito recolle que o procesado sairía "un minuto" para volver entrar e, após dicirlle que "lle gustou moito", presuntamente perpetrou a agresión sexual. Alén de lesións físicas "a consecuencia" do ataque que o Ministerio Público imputa unicamente a Mina, a vítima sofre sintomatoloxía ansiosa "grave" relacionada cos feitos, polo que solicita unha indemnización de 50.000 euros. Subliña que as secuelas que padece supuxeron que se vexa "moi afectada a súa vida cotiá" xa que sofre "trastorno de tensión pos traumático crónico directamente relacionado" coa agresión sexual que se vai axuizar. |
NOS_36779 | Multinacional e persoal manteñen esta terza feira o último día de negociación do ERE. A empresa mantense na súa proposta de despedir dous terzos do cadro de persoal das factorías da Coruña e Avilés. | A xuntanza desta segunda feira entre dirección de Alcoa e representantes do persoal rematou sen acordo e todo parece apuntar a que o escenario da reunión desta terza feira entre ambas as dúas partes vaia ter o mesmo resultado. A multinacional non cede na súa proposta de despedir 2/3 dos traballadores e traballadoras das plantas da Coruña e Avilés, ficando con 200 operarios para garantir o mantemento das factorías por se até finais de xuño aparece un inversor. Desde os sindicatos manteñen sobre a mesa que é posíbel manter 100% de emprego e actividade e instan o goberno, como levan facendo ao longo de todas estas semanas, a "mollarse", a asumir as factorías e implicarse a fondo na procura dun inversor. Se a xuntanza desta terza feira acaba sen acordo, a empresa poderá empezar a executar a partir desta cuarta feira os despedimentos, que serían mediante un ERTE (temporais) até 30 de xuño por se aparece un inversor. De non se materializar esta opción do comprador, os despedimentos pasarán ser definitivos. |
PRAZA_15091 | A situación actual non require demoras. O abandono da superficie agraria útil, o crecemento descontrolado da materia vexetal nos predios sen cultivo, a falta de mans para traballar, a desorde (cando non o caos) nas estruturas da propiedade, dan lugar a que se vaian sumando problemas que cada vez sitúan máis contra as cordas ao rural. | Discutía con varias persoas hai días se é preciso ou non que unha forza política que pretende acadar representación parlamentaria e mesmo constituírse en alternativa debe presentar un programa electoral con planificacións estratéxicas sobre o que se pode (e/ou se debe) facer. Algunha das persoas presentes optaban por unha forma aberta, é dicir, por un acordo de mínimos que presentar á cidadanía e logo, unha vez acadada representación, xa se discutiría os rangos de actuación. O debate centrábase en determinar se algunhas medidas deberan ser froito da planificación política ou non. Algúns/has dos/as presentes insistía en que propor determinadas medidas era simplemente "xestión" e que calquera corpo funcionarial tiña non só capacidade senón a obriga de deseñar e executar esa xestión. Partíase do concepto de que unha forma nova de facer política, unha alternativa ao actual status de democracia, consistía en asignar aos corpos de xestión da administración pública a elaboración de plans estratéxicos como unha atribución que lle debera corresponder en exclusiva. Os que levamos tempo traballando no rural decatámonos de que non se pode conceder a un simple corpo de xestión da Xunta a elaboración das medidas de planificación a curto, medio e longo prazo Porén, os que levamos tempo traballando no rural decatámonos de que non se pode conceder a un simple corpo de xestión da Xunta a elaboración das medidas de planificación a curto, medio e longo prazo. Se por unha cousa se caracteriza o Medio Rural galego é porque ten un carácter de seu, pese ao abandono. Polo tanto precisa de planificación estratéxica en sentido amplo, isto é, fanse imprescindibles liñas políticas propias nun programa de goberno dun partido que se diga cos pes na terra. E neste programa deberan incluírse medidas concretas de actuación para atallar a multitude de problemas que afectan ao rural. Na Galiza a superficie abandonada achégase ao 60%, sumado a unha poboación altamente avellentada Na Galiza a superficie abandonada achégase ao 60%, sumado a unha poboación altamente avellentada. O abandono xunguido ao despoboamento acada estes niveis despois de case 30 anos de políticas de desmantelamento de todo o tecido produtivo agrario en aras dunha presunta modernización que beneficiou só a uns/has poucos/as. E durante este proceso asistimos precisamente a unha nulidade abraiante das políticas agrarias. A forma de lixiviar ao rural executouse conforme a dúas directrices Unha directriz social: fomento da deserción de xente do rural, implicitamente coa minusvaloración social do traballo agrario Unha directriz económica: Subvencionouse o abandono da actividade agraria pero non se implementaron medidas para desviar a superficie agraria liberada cara os activos (persoas, explotacións) que puidesen necesitalas. Fica demostrado que, en Galicia, a taxa de crecemento anual da materia vexetal é dos máis elevados de Europa. Nos predios abandonados este crecemento devén en problemático cando se produce un incendio forestal A situación actual non require demoras. O abandono da superficie agraria útil, o crecemento descontrolado da materia vexetal nos predios sen cultivo, a falta de mans para traballar, a desorde (cando non o caos) nas estruturas da propiedade, dan lugar a que se vaian sumando problemas que cada vez sitúan máis contra as cordas ao rural. Fica demostrado que, en Galicia, a taxa de crecemento anual da materia vexetal é dos máis elevados de Europa. Nos predios abandonados este crecemento devén en problemático cando se produce un incendio forestal. A ecuación é sinxela: A máis masa combustible, maior virulencia do lume e maiores dificultades de acceso e tamén de extinción; polo tanto tamén maior superficie afectada. A repoboación forestal de terras agrarias leva facéndose de xeito irregular desde hai ben anos, mesmo estimulada por parte da Xunta de Galicia Por outra parte algunhas medidas implementadas desde o punto de vista oficial (como xa se indicou aquí), non melloran a situación. A repoboación forestal de terras agrarias leva facéndose de xeito irregular desde hai ben anos, mesmo estimulada por parte da Xunta de Galicia. Estas medidas, lonxe de arranxar o problema territorial, non fan máis que incrementar as dependencias das explotacións e os riscos derivados de ter masas forestais de especies pirófitas nas proximidades de vivendas e núcleos. O abandono altera ademais os equilibrios cos que a poboación galega conseguiu vivir durante anos. A proliferación de especies de crecemento rápido, a súa situación nas zonas onde antes foi terra de labor, inflúe nos réximes hídricos, fai sombra sobre as terras de cultivo e mesmo pode alterar as condicións do solo grazas ás sustancias liberadas. O abandono de certos predios modifica en moitas ocasións os cursos de augas, trocando tamén os sistemas de condución e rega e provocando alagamentos ou secas en terras que previamente eran traballadas. O abandono de certos predios modifica en moitas ocasións os cursos de augas, trocando tamén os sistemas de condución e rega e provocando alagamentos ou secas en terras que previamente eran traballadas As circunstancias anteriormente expostas determinan que calquera alternativa política que se presente digna de tal nome debe prestarlles coidadosa atención. E ter a valentía e a capacidade suficiente para elaborar propostas que conten co concurso das persoas no rural. Pero tamén do conxunto da sociedade, dado que se trata dun ámbito que excede os seus límites xeográficos e económicos para converterse nun referente social, económico e ambiental. O medio rural produce alimentos pero tamén xera externalidades que non sempre son economicamente cuantificables e porén deberan ser altamente valoradas pola cidadanía: A posibilidade de fuxir dos espazos urbanos en momentos de lecer, a historia, a arquitectura vernácula, o ambiente, os espazos abertos, entre outros constitúen factores que en moitos lugares do mundo lle outorgan unha relevancia moito máis aló do que economicamente se pode percibir. O camiño a seguir debe consistir en redeseñar os espazos, racionalizar as superficies en función dos usos que se requiran e que permitan avanzar en termos como a Soberanía Alimentaria Cómpre, xa que logo, unha alternativa política que free primeiro de todo a tendencia ao despoboamento e o abandono. Para isto é preciso derrubar tópicos e lugares comúns asumidos como verdades sociais. Mitos como o apego á terra, as envexas, os conflitos por marcos físicos e mentais medran, en moitas ocasións, froito dun anecdotario que se propaga con rapidez chegando a outorgarlles rango de categoría. A simplificación que se acostuma sobre os traballos do rural, o deficiente concepto sobre as aptitudes para realizalo, a crenza sobre a presunta falta de cualificación técnica e cultural das persoas que o habitan constitúen algúns dos múltiples prexuízos que xogan á contra. Unha forza política que se di transformadora debe coñecer e logo derrubar os preconceptos en aras de virar completamente estas tendencias. O camiño a seguir debe consistir en redeseñar os espazos, racionalizar as superficies en función dos usos que se requiran e que permitan avanzar en termos como a Soberanía Alimentaria. Precísase unha política decidida que poña en valor os elementos produtivos que xa temos, que estude as necesidades reais, que aposte pola sustentabilidade dos procesos sen esquecer a cobertura das necesidades da cidadanía. Cómpre unha revisión da política de prezos e mercados, procurando rachar a opacidade na que operan e apostando decididamente por que o sector produtor teña máis control sobre os prezos percibidos e sobre a distribución dos seus produtos. Cómpre unha revisión da política de prezos e mercados, procurando rachar a opacidade na que operan e apostando decididamente por que o sector produtor teña máis control sobre os prezos percibidos e sobre a distribución dos seus produtos Un programa político transformador que sente as bases do que queremos e como queremos facelo é, xa que logo, unha ferramenta necesaria para o rural. E nese programa tamén debe ir incluída a cidadanía que non traballa e/ou non vive no rural. Constitúe unha responsabilidade colectiva dignificar o traballo das nosas labregas, das nosas gandeiras, pero tamén educar a xente moza sobre cuestións como a produción dos alimentos, a valoración de como e do que custa producir e a sustentabilidade enerxética dos procesos produtivos. Un programa que xere confianza, que conte coa participación labrega pero tamén a participación cualificada do persoal que coñece de primeira man os procesos en aras de atopar novos equilibrios e unha saída á situación actual que nos condena ao desastre. |
NOS_31287 | Vinte organizacións e entidades relacionadas co mundo do libro constituíron neste 23 de abril o Foro Reimprímete. Promovido polo Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego e a Asociación Galega de Editores, o foro conta coa apoio das asociacións representativas da cultura en papel. | O Día Mundial do Libro foi a data escollida para a constitución do Foro Reimprímete, unha iniciativa que nace para a defensa do produto imprimido e do libro, nun momento de especial crise para o sector. "Se non hai vento, vogar" foi o título do manifesto fundacional que leu a escritora Rosa Aneiros no que se reivindicou a importancia do libro e a cultura impresa como "elemento fundamental da economía e a nosa cultura". "A cultura dixital non debe substituír á cultura imprimida: debe convivir coa cultura imprimida. E esta convivencia debe garantir e fomentar, cos recursos institucionais e as políticas públicas necesarias, a supervivencia, interese social, visibilidade da cultura galega: dos seus axentes económicos e dos seus creadores e creadoras", sinalou a escritora nun discurso que pulou pola defensa de todo o proceso que fai chegar os libros a lectores e lectoras. "Sen contidos non hai cultura. A xusta retribución de quen os fai posibles e, tamén, dos elos de transmisión entre quen crea e quen consume- garante a calidade, a pluralidade e a permanencia dos produtos culturais. Se non se establece unha cadea de valor xusta, seremos cómplices dunha catástrofe", alertou Aneiros. "Reivindicar a importancia do soporte imprimido na industria do libro e posicionar tamén ao papel como o mellor medio dende o punto de vista da sostibilidade e o medio ambiente", é un dos obxectivos do Foro segundo a Asociación Galega de Editores, unha das dúas organizacións que levaron a iniciativa para a súa constitución. O seu presidente, Manuel Bragado expresou a vontade do sector de mostrar a súa existencia e a defensa da súa consideración como sector cultural estratéxico para Galiza. Pola súa parte, o presidente do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego, Jacobo Bermejo, definiu o foro como unha "mesa de diálogo" para reivindicar o futuro do libro e os produtos impresos. O foro representa a máis de 500 empresas con máis de 1.300 profesionais, cifras que falan da relevancia tamén para a economía do papel no sector cultural. |
NOS_12325 | Un 30 % dos plásticos analizados resultaron son polietileno. | Investigadoras do Instituto Español de Oceanografía (IEO) de Vigo veñen de publicar un traballo no que se analiza a abundancia de pequenos plásticos nas augas da ría de Vigo. Os máis frecuentes, confirma a investigación, son os microplásticos, partículas de menos de cinco milímetros, a maioría fibras e láminas de pintura. O equipo científico deu a coñecer na revista Science of the Total Environment os resultados da súa investigación, que determina por primeira vez a presenza de pequenos plásticos, de menos de 25 milímetros, na superficie da auga na ría de Vigo. Neste sentido, documentaron a súa concentración, ciclo anual, tamaño, forma e composición polimérica. Estudo As investigadoras seleccionaron tres puntos de mostraxe na ría de Vigo aos que acudiron cada mes durante un ano para realizar o seu estudo. Recolleron mostras de auga de mar utilizando unha rede de arrastre de manta e, no laboratorio, usaron diferentes técnicas espectrofotométricas para determinar os tipos de polímero de cada plástico. Así mesmo, nos mesmos puntos de mostraxe empregaron outros tipos de redes para recoller e analizar o zooplancton e a súa relación coa presenza de plásticos. Resultados En total, realizaron 32 mostraxes nas que se identificaron 854 partículas de plástico, o que supuxo unha concentración media de 25 partículas en cada quilómetro cadrado. Destas partículas, 80 % resultaron ser microplásticos -menos de 5 mm de tamaño- e o resto mesoplásticos -entre 5 e 25 mm-. Un 30% dos plásticos analizados eran polietileno (PET), un 19% eran acrilatos, un 18% polipropileno (PP) e un10 % eran poliestireno (PS). As formas principais detectadas foron fibras e láminas de pintura, sobre todo de cor negra. Segundo explicou a investigadora principal do estudo, Olga Carretero, os resultados tamén mostraron unha alta variabilidade estacional nas concentracións, "algo que debería terse en conta nun programa de seguimento futuro". |
NOS_139 | Os novos contaxios descenden a 90. | Galiza rexistrou unha lixeira suba dos casos activos de Covid-19 até os 2.490, o que supón 9 máis que a xornada anterior, polo que se freou a tendencia descendente, mentres que se reduciron en 15 os pacientes con este coronavirus ingresados, que se sitúan en 249. Segundo os datos actualizados na mañá desta terza feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas desta segunda feira, descenderon a 46 os pacientes Covid en UCI -3 menos- e a 203 os que permanecen noutras unidades 12 menos-. Os hospitalizados con Covid baixan en cinco das sete áreas sanitarias galegas, mentres que as de Santiago e Barbanza -con cinco en UCI e 19 noutras unidades- e na de Pontevedra e O Salnés -con cinco en críticos e 13 noutras unidades- seguen sen cambios. Tras iniciarse a semana cun descenso dos casos activos, os datos actualizados reflicten un lixeiro incremento até os 2.490, o que supón nove máis que a xornada anterior, ao detectarse 90 novos contaxios, un falecemento e 80 altas. En concreto, os casos activos soben lixeiramente en catro das sete áreas sanitarias -Ourense (+7), Santiago e Barbanza (+5), Vigo (+1) e Pontevedra e O Salnés (+7)-, mentres que descenden nas da Coruña e Cee (-4), Lugo (-5) e Ferrol (-2). Por contra, os novos contaxios detectados con calquera tipo de proba descenden a 90 en relación aos 103 da xornada anterior en Galicia e 107 do domingo. Pola súa banda, a taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- volveu reducirse até o 2%, após repuntar ao comezo da semana a un 4%. Por tanto, Galiza segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala para dar por controlada a pandemia. Desde o inicio da pandemia faleceron 2.321 persoas diagnosticadas con Covid-19, despois de notificar Sanidade. |
NOS_10227 | O presidente da Xunta di, en alusión á intervención da planta de Cervo, que calquera solución que non implique baixar o prezo eléctrico é "unha cuestión dialéctica". | Lonxe de empregar o seu poder para mediar coa multinacional Alcoa, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, limitouse a amosar a súa "preocupación" ao presidente español, Pedro Sánchez, sobre o despedimento de máis de medio milleiro de traballadores na planta de aluminio de Alcoa en Cervo. Durante a videoconferencia semanal dos presidentes co titular do Executivo español, que coincidiu coas protestas dos traballadores de Alcoa en Ribadeo, nas que pedían aos líderes de ambos gobernos máis implicación na procura de solucións para os centos de familias afectadas, Feixoo estendeu esta preocupación a outras industrias galegas que se verían afectadas polas modificacións da Lei de Costas que ultima o Goberno español. Na rolda de prensa posterior ao encontro, o presidente da Xunta indicou que o Executivo estatal vai recibir 140.000 millóns de euros do plan de recuperación europeo, segundo lles trasladou o propio Pedro Sánchez, e que sería "un gravísimo erro" non aplicalos a industrias chave. Preguntado sobre unha posíbel nacionalización da planta, que exixen tanto traballadores como sindicatos, Feixoo, o mesmo que no Parlamento rexeitou a creación dunha tarifa eléctrica galega, reduciu a "unha cuestión dialéctica" calquera solución "que non posibilite baixar o prezo eléctrico". Neste senso, volveu apuntar a Madrid para criticar que o Goberno español leva "desde outubro de 2018 comprometendo" a continuidade da empresa sen "garantir un prezo máximo" da electricidade ás industrias electrointensivas sen pór "ningunha solución enriba da mesa". E sen facer autocrítica engadiu: "que se perdan empregos polo deixamento do Goberno español non ten sentido". |
NOS_23409 | Un rexistro descubre cento vinte e sete quilos de cocaína no Juan Sebastián Elcano, o buque insignia da mariña española tres semanas despois de ter detido tres mariñeiros con máis de vinte quilos. | Que nun rexistro "exhaustivo" do buque insignia da mariña española, presentado dentro do "estreito clima de colaboración entre a Armada e a Garda Civil e outras axencias e instancias implicadas no proceso de esclarecemento dos feitos" segundo o comunicado emitido pola Armada, se encontren cento vinte e sete quilos de cocaína, despois de ter detido hai tres semanas tres mariñeiros con máis de vinte quilos, é algo para reflexionar, por suposto, mais tamén para se perguntar pola necesidade deste tipo de embarcacións. Na realidade este é un buque de instrución de mariñeiros botado en Cádiz, España, o 5 de marzo de 1927, sendo madriña Carme Primo de Rivera, filla do ditador Miguel Primo de Rivera, máis na práctica participa máis en regatas e viaxes de volta ao mundo do que outra cousa. Nel estiveron embarcados os dous derradeiros reis da monarquía española, Juan Carlos I e o actual Felipe VI e, habitualmente, durante as súas travesías altos cargos de Defensa viaxan como convidados no barco. Os tres detidos en xullo están agora no cárcere militar de Alcalá de Henares acusados de "embarcar drogas tóxicas ou estupefacientes" no Juan Sebastián Elcano. A xustiza militar condena este delito con penas de entre seis meses e seis anos de cárcere, nada comparábel aos sete anos de prisión a que foi condenado David Reboredo por vender unha papelina de heroína. O exército, a armada, publicitada como exemplo de valores, onde a solidariedade, o sacrificio e o esforzo xustifican por si sós un sistema, un modo de vida, coas valoracións máis alta nos esquema de valores do CIS, entran de repente no mundo do narcotráfico. Os gardiáns da orde como campións da desorde. |
NOS_8098 | A primeira muller vacinada na Galiza vén de recibir a segunda dose tres semanas despois de serlle administrada a primeira na residencia Porta do Camiño. A canda ela, completaron o ciclo de vacinación varias profesionais do mesmo centro. | A primeira hora deste domingo, Nieves Cabo, a muller de 82 anos que o pasado 27 de decembro fixo historia ao recibir a primeira dose da vacina de Pfizer-BioNTech na Galiza, vén de convertese na primeira galega inmunizada contra a Covid-19. Que non deixen de vacinar, que é unha cousa marabillosa Esta residente do centro de maiores Porta do Camiño, en Santiago de Compostela, completou a inmunización contra o coronavirus, "o bicho", como di ela, 21 días despois de serlle administrada a primeira dose, como estabelecen os protocolos de vacinación. "Que non deixen de vacinar, que é unha cousa marabillosa", manifestou tras ser vacinada por un equipo de enfermaría do Servizo Galego de Saúde pouco despois das oito da mañá, quen, despois de manifestar que se encontraba moi ben, animou á xente á vencer calquera reticencia fronte ao antídoto "e levar a vacina". Segunda fase: inmunización A continuación, completaron o ciclo de vacinación tres profesionais da residencia Porta do Camiño, para as que tamén estaba prevista a segunda dose do antídoto. Desta forma, comezou a segunda rolda de vacinación nas residencia de maiores e polo tanto, o proceso de inmunización dos grupos de poboación diana prioritarios, o persoal residente e profesional dos centros sociocomunitarios, que a Consellaría de Sanidade prevé finalizar no mes de febreiro. |
NOS_43442 | O líder do Syriza apelou aos eleitores para darem a força necessária para que o próximo governo não fique refém dos partidos da troika. | A campanha grega entrou na reta final e o Syriza surge destacado nas sondagens com quatro pontos de vantagem face à Nova Democracia. Na véspera do comício de Atenas, Alexis Tsipras voltou a falar para um pavilhão cheio em Patras, onde deixou um apelo a que o Syriza consiga obter uma maioria forte que lhe permita governar sem depender dos partidos e das figuras que têm governado o país. "Não pedimos um cheque em branco, mas sim um mandato claro e forte para implementarmos o Programa de Salónica", afirmou Tsipras, referindo-se às medidas económicas do Syriza para travar o desastre humanitário na Grécia. Tsipra acusou os oligarcas e os representantes da troika de quererem tornar o seu partido num refém dos partidos que subscreveram os memorandos, se ficar dependente de acordos políticos para formar governo. "Não governaremos com a troika", promete Tsipras "Um Syriza autónomo significa uma Grécia forte e um Syriza forte significa uma Grécia autónoma" para ter mais força nas negociações com a troika, defendeu Tsipras. "Não governaremos com a troika nem aceitaremos quem represente as opiniões da troika no nosso governo", prometeu Alexis Tsipras, respondendo assim às palavras do líder do PASOK e nº 2 da coligação de governo. Com o partido em queda livre nas sondagens, Evangelos Venizelos disse esta quarta-feira estar disposto a apoiar um governo do Syriza. Mas Tsipras deixou claro em Patras que quer ver a Grécia virar a página dos políticos do passado, referindo os casos de corrupção com subornos da Siemens e dos fabricantes de armamento alemão em que estiveram envolvidos e foram condenados ministros do PASOK. Boa parte do discurso serviu para Tsipras apresentar as medidas concretas do seu "Programa de Salónica", mas não deixou sem resposta a campanha do medo do principal adversário, o primeiro-ministro Samarás, que afirmou na terça-feira que "não nos vamos transformar num soviete, o comunismo não vai ganhar". Na véspera, o seu ministro da Saúde e ex-dirigente do partido de extrema-direita LAOS, tinha recorrido à retórica da guerra civil grega do pós-II Guerra Mundial, dizendo que é preciso defender por todos os meios "os valores da nação, religião e família", um dos principais slogans da ditadura dos coronéis. Info tirada de Esquerda.net |
NOS_50919 | Os bicos feridos, de Anna R. Figueirido, é a novela distinguida na primeira edición do Premio Viadutos de Novela do Concello de Redondela. Migracións contemporáneas e redes sociais, a soidade na gran cidade e o medo a morte, conforman a materia do libro, que publicará a Editorial Galaxia. | O xurado do galardón, do que fixeron parte as escritoras Tamara Andrés e Inma López Silva, as libreiras Mercedes Corbillón e Esther Gómez, e a editora Malores Villanueva, salientou "a orixinalidade dos temas tratados e a depuración do estilo poderoso e por veces lírico" de Figueirido. Unha moza que emigra a Londres sostén unha trama en que "se van debullando temas de fondo calado como a importancia das redes sociais na vida moderna, a complexidade das relacións familiares, a maternidade ou o medo á morte". O Concello de Redondela, en colaboración con Galaxia, convoca o Premio Viadutos de Novela. Ademais da publicación, o certame está dotado con 3.000 euros. |
NOS_28809 | O vicepresidente, César Mosquera, insta o PP a "parar esta tolería". Afirma que o Parque de Maquinaria actúaba como o "brazo armado" dos populares da presidencia de Louzán. | As pintadas e ameazas contra os deputados do BNG ou algúns funcionarios que se levan producindo nas últimas semanas no marco do conflito no Parque de Maquinaria da Deputación de Pontevedra deron paso ao que a entidade provincial cualifica de "prácticas mafiosas". Refírense ao unha coroa mortuoria dirixida ao deputado responsábel de Mobilidade, Uxío Benítez, cunha cinta que puña: "Uxío, non te deixaremos en paz". A coroa deixouse perto da casa do concello de Tomiño, municipio do que é edil Uxío Benítez. O propio deputado denunciou os feitos ante as autoridades. En Vilagarcía, Bueu ou Moraña, entre outros concellos, apareceron pintadas, acusando de ditadores e caciques o BNG e os deputados César Mosquera e Uxío Benítez. Acúsanos de querer privatizar o Parque de Maquinaria. O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, volveu insistir en que "non se tomou ningunha medida" que prexudique os traballadores do parque (que agora fan parte do servizo provincial de Infraestruturas) e negou que se pretenda privatizar o parque porque "aínda que quixéramos, que non é así, non o poderíamos facer". Mosquera responsabiliza desta campaña de acoso contra o goberno provincial ao PP, ao que instou a dar orde de "parar esta tolería". PP responsábel "O único responsable de rebentar os plenos e de todas estas pintadas é o PP", reiterou o portavoz nacionalista, que mantén que estamos perante un conflito que non é laboral, senón político. Unha afirmación que basea, afirma, en que o Parque de Maquinaria era o "brazo armado" do PP, dependendo directamente do ex presidente Rafael Louzán e do seu xefe de gabinete, Martín Serantes, para "satisfacer os seus intereses partidarios". |
NOS_43975 | UXT avisa da febleza da prevención laboral. | UXT alertou da febleza da prevención laboral que se evidencia coa crise sanitaria do coronavirus e lembrou que nos dous primeiros meses de 2020 houbo 4.600 accidentes laborais na Galiza, nos que se rexistraron 10 vítimas mortais. Así o manifestou nun comunicado remitido aos medios con motivo da celebración, o 28 de abril, do Día Internacional da Saúde e Seguridade no Traballo e no que sinalou que ao longo de 2019 un total de 32.651 traballadores e traballadoras sufriron accidentes na Galiza, sinistros nos que se produciron 62 mortes. O sindicato destacou un "mercado laboral marcado pola precariedade" e avogou por realizar propostas de cambio na normativa e novas políticas que permitan mellorar a saúde e a seguridade dos traballadores. UXT sostén que a crise da COVID-19 evidencia a súa demanda histórica de que a saúde laboral "sempre debeu formar parte da saúde pública". "Esta crise demostrou nefastos resultados nun sistema de prevención da saúde mercantilizado", manifestou. Así mesmo, a organización sindical considera que os recortes en materia de prevención rexistrados nos últimos anos, desde a crise do 2008, "tamén se pagan hoxe nesta crise" e afirma que a pandemia acabou por "arrasar" a prevención que xa funcionaba como "un negocio", coa externalización da súa xestión e a mínima regulación do mercado por parte das administracións. |
NOS_32725 | O investigador Marcos Fernández Fondevila comparte con Nós Diario as conclusións dun estudo levado a cabo nos laboratorios do CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela, que presentan unha vía para chegar a un tratamento eficaz contra o fígado graxo, unha patoloxía que afecta unha de cada catro persoas. | "O traballo no laboratorio non para, vas dun proxecto a outro", di Marcos Fernández Fondevila desde o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermedades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela. Aínda rematando a súa tese de doutoramento, este investigador vén de asinar como autor principal un estudo que sinala unha novidosa diana terapéutica contra o fígado graxo non alcohólico, unha patoloxía que afecta a unha de cada catro persoas no mundo. A revista especializada Hepatology, da asociación americana para o estudo das enfermidades vencelladas ao fígado, publica este achado que abre a vía para probar con novos tratamentos ás persoas con fígado graxo, pois até o momento non hai ningún fármaco aprobado para esta patoloxía. "Hai un montón de cousas que levan a unha persoa a ter fígado graxo", conta a Nós Diario Marcos Fernández, que traballa co fígado graxo como unha "consecuencia da obesidade". No seu laboratorio tamén se estuda o cerebro nese sentido para avaliar "cales son os motivos que levan a unha persoa a desenvolver a obesidade, a comer máis, facer menos deporte ou gastar menos enerxía". "É curioso porque se trata dunha enfermidade que se coñece desde hai anos pero non se saben moi ben as causas. Nós decidimos estudar este xen, o GPR55, do cal non se sabía nada. Sabiamos que se expresaba en diferentes partes do corpo: na graxa, no cerebro e no fígado. Así que decidimos, xa que está no fígado e hai xenes da mesma familia, porque é da familia dos cannabinoides, ver que pasaba con el", explica. Así comenzou unha investigación que se prolongou durante case catro anos ,con dedicación practicamente exclusiva para este equipo. Algo que se considera un éxito, pois non é habitual resolver un proxecto en menos de cinco ou seis anos de traballo no laboratorio. Diagnóstico cunha análise de sangue Coas mostras de pacientes con fígado graxo de hospitais de Salamanca, Madrid e Santiago de Chile, entre outros, atoparon que a xente que padecía esta enfermidade nunha fase máis avanzada, máis grave, tiña os niveis dunha molécula coñecida como lisofosfatidilinositol (LPI) máis altos. "É moi interesante porque un dos problemas do fígado graxo é que non se pode diagnosticar facilmente", relata, "se tes unha ferida o médico pode vela cos seus ollos e co fígado graxo hai técnicas como a resonancia magnética para ver que hai dentro das vísceras, mais o problema é que até que abres o corpo e colles unha mostra de fígado non sabes seguro se a persoa ten a enfermidade. Isto é moi chulo porque permitiría ver cunha análise de sangue que tes a enfermidade, e iso é o primeiro paso". Ademais, descubriron que a molécula LPI, cando se dirixe ao fígado, activa o xen GPR55. "No fígado as células maioritarias son os hepatocitos. O LPI, activando o xen GPR55, consegue que os hepatocitos cambien o seu metabolismo para acumular graxa, algo que non fan normalmente", conta Fernández. "Así, o fígado comeza como unha reprogramación para acumular graxa. Isto é malo porque afecta a todas as súas funcións, o fígado limpa desde as drogas que tomamos até os metabolitos do deporte que xeran exceso oxidativo… Ten funcións como de limpeza do corpo e así non é capaz de facelo", agrega. Evitan chegar á cirrose Na súa investigación tamén xogan un papel importante as "células estelares", que en condicións normais non fan demasiadas cousas, pero "cando hai moita acumulación de graxa ou se produce dano por algún outro motivo como o consumo de alcohol, comezan a facer cicatrices no fígado". "Con esa fibrose, que non debería suceder no fígado, vólvese ríxido e o sangue non chega ben. Entón xera problemas bastante graves que acaban derivando na cirrose", engade o investigador. Precisamente, neste estudo desvelan que o xen GPR55 "activa moito a produción de fibrose" que levan a cabo as células estelares. "Todo isto xunto, graxa nos hepatocitos e fibrose nas células estelares, leva a que a enfermidade avance moito máis rápido nas pacientes nas que este xen está activo", asegura. "Unha de cada catro persoas sofre de fígado graxo", salienta Marcos Fernández, que matiza que moitas persoas teñen unha afectación leve e síntomas que non se asocian ao fígado nun inicio. "O problema é que ao aumentar o estilo de vida occidental (como temos os europeos e os americanos, e como comezan a ter agora na China e no Brasil) estes estadíos iniciais da enfermidade evolucionan, por conta da dieta e do sedentarismo, a estadíos máis graves. Así, se un de cada catro ten fígado graxo, destes, un de cada dez acaba tendo fibrose", incide. Consecuencias do confinamento Marcos Fernández salienta que "moita xente con sobrepeso e obesidade ten problemas moito máis graves e por iso non presta tanta atención ao fígado", pero advirte que "esta enfermidade tamén está presente en xente que non é obesa". De feito, o confinamento vai agravar a situación para o fígado de moitas persoas. "Prevese que ao final desta década se duplique, non o número de casos, senón a gravidade dos mesmos", di, en relación á menor mobilidade e a unha peor dieta, desde un punto de vista nutricional, que pode traer como consecuencia a pandemia da COVID-19. Este estudo abre a vía a diferentes tratamentos médicos contra o fígado graxo, que cando está avanzado e comezou a facer fibrose, resulta irreversíbel. A única alternativa nestes casos é o transplante. "Hai que ter en conta que son enfermidades bastante novas", argumenta o investigador, que salienta que até hai vinte anos non se falaba igual de enfermidades como a obesidade ou a diabetes. Patoloxías que se incrementan co estilo de vida actual. O proceso para chegar ás conclusións deste estudo é longo. Comeza coa obtención de mostras do fígado de pacientes, por parte dunha médica, en operacións como a redución de estómago ou liposucción. Depois, a médica farálle chegar ao laboratorio as mostras obtidas. Neste caso, no CiMUS traballaron cunhas 200 mostras de pacientes e comprobaron as súas teses en 500 modelos, entre animais e cultivos celulares. "En cantos máis modelos o demostres, máis robusta é a túa investigación", apunta Fernández. Lograr publicar o estudo O camiño para chegar a publicar nunha revista como Hepatology tampouco é sinxelo. Co apoio do director do grupo de investigación Molecular Metabolism (metabolismo molecular), Rubén Nogueiras, lograron que a revista lles aceptase o estudo. Mais antes pasaron tres meses de intenso traballo para responder a cuestións que lles foron enviadas por expertos internacionais, un paso habitual para chegar a publicar un estudo científico. "Cando se publica o que sentes é moita satisfacción", abunda Marcos Fernández, que segue a traballar no laboratorio do CiMUS en proxectos dirixidos por Rubén Nogueiras sobre como o xen P53, presente en moitas persoas con cancro, tamén ten que ver co metabolismo e está involucrado en reprogramar as células para que acumulen máis ou menos graxa. Ao mesmo tempo, avanza na súa tese de doutoramento e ten claro que o seu futuro como investigador pasa por marchar uns anos ao estranxeiro. "A estratexia para ser profesor titular é facer investigación entre seis e dez anos fóra, aínda que teño claro que vou querer volver para poñer en práctica aquí o novo que aprenda", salienta. |
NOS_8391 | Sinala Tecnoloxía Visual (A Baña) e Scalene Global (A Coruña), presentaron estes días unha innovadora aplicación que emprega intelixencia artificial para contar cantas persoas hai nas praias e informar da capacidade en tempo real tendo en conta as mareas. | Unha nova fornada de empresas galegas viñeron para quedar e competir en pé de igualdade nun sector, o tecnolóxico, cada vez máis presente na nosa sociedade. Dúas delas, Sinala Tecnoloxía Visual (A Baña) e Scalene Global (A Coruña), presentaron estes días unha innovadora aplicación que emprega intelixencia artificial para contar cantas persoas hai nas praias e informar da capacidade en tempo real tendo en conta as mareas e a superficie do areal co obxectivo de evitar o amoreamento e minimizar o risco de infeccións pola COVID-19. A idea ten en conta o protocolo para a apertura de praias do Ministerio de Sanidade que recomenda ás autoridades que xestionan estas zonas que determinen a capacidade de bañistas que terán que fixar o número máximo de persoas que poderán acudir en grupo ás instalacións. Sistema baseado en cámaras e unha aplicación Ana Fernández, directora de Scalene Global, relata a Nós Diario como funciona este sistema. "É unha solución que está formada por unha aplicación web e unha cámara dual de intelixencia artificial que conta as persoas á entrada e á saída da praia", explica. O sistema de videovixilancia conectaríase a través de telefonía móbil 4G e estaría dotado dun software que permite mostrar en tempo real o número de persoas que hai. Esta solución inclúe tamén un semáforo que se situaría na entrada da mesma praia para sinalizar se ten unha ocupación alta, media ou baixa. "A cámara envía a información a un servidor onde temos a aplicación desenvolvida e, en función duns parámetros que de maneira previa se introducen como, por exemplo, a superficie da praia, contrasta cada minuto con datos de Meteogalicia para coñecer o estado das mareas". Desta maneira, a aplicación fai o cálculo da cantidade de persoas que hai no areal e esa información queda nunha aplicación, que tamén ten formato móbil, e ao semáforo. "Tardamos mes e algo en rematala", asegura o responsábel de Sinala Tecnoloxía Visual, Rafael Vieito, que recoñece que a pandemia serviu de punto de saída para este e outros proxectos. "Pensamos en como saír desta situación e nas necesidades que habería", explica a Nós Diario. Xa existen varias aplicacións no mercado que poderían ser competidoras, mais esta é a única que ten en conta as mareas. "Nós controlamos a xente que entra e sae das praias e non facemos cálculos aproximados con base no tamaño da praia", asegura Vieito. Nesta aplicación existe ademais a posibilidade de combinar esta solución con outra similar que consistiría en contar as prazas de aparcadoiros próximos, tamén en tempo real. Este sistema de control da ocupación conta con máis de 99% de fiabilidade e é capaz de discriminar outros elementos, como carriños de bebés ou táboas de surf, e descartalos da métrica do cálculo. O software instalado non grava imaxes e non almacena ningún dato persoal, só detecta movemento de persoas nas zonas de entrada e saída. Ambas as empresas recoñecen que xa teñen concellos interesados en instalar esta tecnoloxía que tamén podería empregarse nas piscinas dos municipios do interior do país. Dous anos traballando coas novas tecnoloxías Sinala Tecnoloxía Visual (A Baña) e Scalene Global (A Coruña) naceron hai dous anos case a un tempo. Ambas as dúas traballan en solucións tecnolóxicas desde a Galiza e xa se fixeron un oco nun difícil mercado empresarial con moita competencia. "Apostamos polo rural, xerar postos de traballo na Baña", explica Rafael Vieito, responsábel de Sinala, "gustamos de axudar as pequenas e medianas empresas (Pemes) e traballamos en produtos moi diferentes e con prezos asumíbeis", engade. No caso de Scalene, a súa directora, Ana Fernández, recoñece que malia o pouco tempo que levan conseguiron que entre a súa clientela figuren varias Administracións e tamén algunhas empresa privadas. "A nivel público traballamos en sistemas de citas e de incidencias", pon como exemplos. |
NOS_10012 | Carnota e As Pontes, con restricións de nivel medio alto e máximo, respectivamente, pasarán ás limitacións de carácter básico. Narón, pola súa banda, pasará do grupo de municipios con restricións de nivel medio-alto ás limitacións de nivel medio | O comité clínico de expertos que asesora á Xunta constatou na súa reunión unha melloría na evolución epidemiolóxica tanto nos municipios de Carnota e As Pontes como o de Narón, que verán aliviado o seu nivel de restricións pola redución da incidencia da Covid-19. O informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública e abordado esta segund afeira no comité de expertos destacou, especificamente, a evolución positiva na taxa acumulada a 14 días nestas localidades. Destemodo, segundo a orde publicada no Diario Oficial de Galiza, Carnota e As Pontes, con restricións de nivel medio alto e máximo, respectivamente, pasarán ás limitacións de carácter básico. Estas novas medidas implicarán a eliminación das limitacións de entrada e saída nestes puntos, nos que rexerá a regra xeral de que os grupos e reunións en espazos públicos ou privados non superen as seis persoas, agás que se traten de convivientes. Narón, pola súa banda, pasará do grupo de municipios con restricións de nivel medio-alto ás limitacións de nivel medio, o que leva a este enclave a separarse do ámbito territorial que conformaba con Ferrol. Doutra banda, o DOG publica á súa vez a extensión do peche perimetral da Galiza até o vindeiro 11 de xaneiro, agás para desprazamentos debidamente xustificados. Esta restrición contará coa excepción da celebración do día de Reis, entre as 06:00 e as 23:00 horas, franxa na que se permitirá a mobilidade a aqueles territorios de residencia habitual de familiares. No entanto e a pesar de que se recomenda evitar a mobilidade, aquelas persoas que se despracen de territorios con alta incidencia de Covid-10 terán que comunicar os datos de contacto e estancia no prazo máximo de 24 horas desde a súa chegada a Galiza. |
PRAZA_7912 | O BNG presenta a súa campaña para o 8 de marzo e defende a autonomía das mulleres como única alternativa para "unha vida digna". Presenta tamén un vídeo no que un grupo de activistas falan das súas motivacións e da súa relación co nacionalismo. | O BNG presentou este mércores a súa campaña para o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, que ten como lema A Soberanía será Feminista ou non será. A formación defende a autonomía das mulleres como única alternativa para "unha vida digna". A responsábel da Comisión de Acción Feminista, Goretti Sanmartín non se limitará exclusivamente aos actos do 8 de marzo senón que terá continuidade durante todo o mes con diversas actividades e lembrou que o Bloque apoiará todas as convocatorias do movemento feminista e os seus diferentes colectivos. Tamén presentou un vídeo que recolle as experiencias de nove mulleres no traballo político, social e feminista de base. En E ti de quén ves sendo? participan África Sanmartín, Teresa Otero, Cristina Lerma, Wui Chem, Rocío Fraga, Rosa Gómez Reino, Sigrig Bouzón, Lola Outeral e Sabela Pena. Falan das súas motivacións para combater en distintas loitas así como da súa relación co nacionalismo. Goretti Samartín salientou que "o feminismo engloba: a defensa da terra, a capacidade das mulleres para decidir sobre a súa vida, a reivindicación dos dereitos lingüísticos, cívicos e políticos, tomar decisións sobre o propio corpo e todo isto lévamos a nós e a elas a falar de Soberanía". |
NOS_33543 | O aparellador municipal, familiar do alcalde do PP, cobrou de forma habitual unha porcentaxe sobre o total do importe das obras en concepto de honorarios | O Partido Popular suma un novo cargo público á súa longa de imputacións. Desta vez, o imputado é o alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez Fernández, por un suposto delito de prevaricación. O Xulgado nº 2 de Betanzos vén de citalo a declarar o próximo 5 de abril en concepto de imputado pola querela criminal interposta no seu día polo Grupo Municipal do BNG de Vilasantar e que agora acaba de ser admitida a trámite.Esta nova imputación nas filas de cargos públicos do PP ten a súa orixe o 24 de febreiro de 2010. Foi entón cando a nacionalista Manuela García Freire, daquela alcaldesa de Vilasantar e actual portavoz do BNG no Concello, tivo coñecemento do pago dunha suma de diñeiro que o aparellador municipal lle solicitou a unha empresa en concepto de honorarios por dirección de obra, un importe equivalente ao 4% do orzamento da obra. Segundo a nacionalista, "ese mesmo día, nun acto de máxima rapidez, soliciteille, como alcaldesa, á Secretaría e á Intervención do Concello un informe sobre a legalidade dese comportamento e as eventuais consecuencias derivadas". O aparellador municipal, tío do alcalde do PP, cobrou de forma habitual unha porcentaxe sobre o total do importe das obras Unha vez elaborado o preceptivo informe xurídico, García Freire, como alcaldesa, ditou unha resolución para que se levasen a cabo as dilixencias informativas sobre a denuncia verbal contra o traballador municipal. "Unha vez realizadas as dilixencias, o secretario do Concello ditou en decembro de 2010 unha proposta de resolución onde consta que o técnico deste concello percibiu de forma habitual unha porcentaxe sobre o total do importe das obras en concepto de honorarios por dirección de obra, sen que constase ningún acto ou acordo que autorizase esta actuación, que podería encadrarse inicialmente como unha falta moi grave", advirte.A tramitación do expediente foi interrompido polo cambio de goberno no Concello, xusto no momento en que só restaba a resolución definitiva, tivo lugar o cambio de goberno no Concello. García Freire sinala que "o alcalde do Partido Popular, aínda sendo coñecedor da existencia do expediente incoado xa antes de gañar as eleccións, provocou a caducidade do expediente e negouse a informar o Pleno, en reiteradas ocasións, sobre a situación deste caso". O Goberno municipal do PP declarou a nulidade do expediente que lle afecta ao tío do alcalde e renunciou a reiniciar o procedemento Manuela García Freire pon de manifesto que "rematado o prazo de seis meses que se fixou na norma, o traballador afectado, tío do actual alcalde, pediu expresamente por escrito que se declarase a nulidade do expediente e, finalmente, a petición levouse a cabo mediante un decreto asinado polo tenente de alcalde, que non adoptou ningunha iniciativa para reiniciar o procedemento".A concelleira do BNG lamenta a maneira de proceder do alcalde do PP, que "non só estivo a estivo a protexer un familiar seu, senón que tamén estivo a amparar unha grave práctica de corrupción". |
NOS_4775 | Iria Veiga, médica e psiquiatra do Servizo Galego de Saúde na área da Barbanza, advirte das consecuencias económicas que pode supoñer a situación de confinamento actual para as persoas con trastornos mentais graves. Trátase dun colectivo estigmatizado e, en moitos casos, tamén en risco de pobreza e exclusión social. | Como lles afecta ás pacientes de saúde mental a situación de confinamento que estamos vivindo?A casuística é moi variada. Hai doentes que chegan ás unidades de saúde mental por problemas de ansiedade e outras complicacións propias da vida cotiá, mais tamén atendemos persoas con trastorno mental grave, que son aquelas que padecen doenzas mentais como a esquizofrenia, o trastorno bipolar grave ou o trastorno obsesivo compulsivo grave. "Doentes de saúde mental poden ter problemas para socializar, para manter relacións familiares normais ou incluso para atender as súas propias necesidades". Calquera de nós pode ser usuaria ou paciente de saúde mental, pero danse dous escenarios moi diferentes. Así, no máis básico, a corentena aféctanos a todas por igual, se ben, o seu impacto vese incrementado na medida en que as circunstancias persoais das doentes de saúde mental son diversas. Neste sentido, preocúpanme máis as consecuencias económicas do confinamento que o encerro en si mesmo. De que forma se complican as circunstancias das persoas con trastornos mentais graves?Son persoas especialmente vulnerábeis porque sofren exclusión social. Ademais, pola súa propia patoloxía poden ter problemas para socializar, para manter relacións familiares normais ou incluso para atender as súas propias necesidades. Moitas destas persoas precisan de terceiros no seu día a día. Contan co apoio de asociacións e entidades de carácter social que malia estar parcialmente financiadas pola Xunta non forman parte da rede pública de dispositivos asistenciais. Todos estes recursos de tratamento, terapia ou acompañamento pecharon, e eran o único apoio co que contaban para manter un contacto social máis ou menos normalizado. Cal está sendo a alternativa para estas usuarias?Necesitan poder seguir contando cun apoio externo que atenda as súas necesidades. É mais unha necesidade de axuda que de control. Hai que fuxir dese estigma de considerar perigosas as persoas cunha enfermidade mental. Intentamos que teñan unha vida o máis normalizada posíbel. "Estamos facendo un labor de contacto telefónico que non vai suplir o contacto físico que ofrecen as entidade sociais de apoio, agora pechadas". Neste sentido, tanto desde as entidades de carácter social que asumen ese labor de coidado como desde as unidades de saúde mental do Sergas, o que estamos facendo é un traballo de contacto telefónico, que en ningún caso pode nin vai suplir o contacto físico, de persoa a persoa, que ofrecen as asociacións practicamente a diario. As doentes de saúde mental seguen acudindo ás consultas hospitalarias?Estamos limitando o número a aquelas que consideramos imprescindíbeis. A decisión que se tomou na área sanitaria de Compostela de deixar que a dirección de cada especialidade xestionase o seu propio servizo non é mala, xa que pode haber unha gran diferenza entre unhas e outras. Nós o que estamos facendo é ver na consulta as usuarias que cremos que necesitan ese contacto directo, e darlle a opción dunha chamada telefónica a aquelas que non queren acudir ao hospital ou que consideramos que poden ser atendidas por teléfono. Funciona a asistencia domiciliaria para os casos máis complexos?O servizo existe, mais é moi escaso. Na área de Santiago contamos cun único equipo de continuidade de coidados moi limitado en canto a persoal e radio de acción. Levamos moito tempo sinalando que é unha carencia grave do sistema. Na Barbanza, por exemplo, as usuarias non teñen acceso a el. Este tipo de equipos especializados deberan ser a norma e non a excepción. Cómpre reforzar a psiquiatría comunitaria para poder atender as doentes no seu contorno e non facelas tan dependentes da asistencia hospitalaria. "Os equipos de continuidade de coidados deberan ser a norma e non a excepción. Cómpre reforzar a psiquiatría comunitaria". Con que previsións enfrontades as próximas semanas?Levamos poucos días e non sabemos que vai pasar. As consecuencias de aquí a dúas ou tres semanas preocúpanme relativamente. O que pode pasar é que haxa un aumento das hospitalizacións ou da descompensación da enfermidade dalgunhas pacientes, mais non creo que sexan numerosas nin unha situación que non poidamos manexar. A psiquiatría é unha especialidade altamente estacional. O máis seguro é que a primavera e o verán sexan malos. Con todo, o realmente grave é o impacto económico a longo prazo. As persoas que sofren algún padecemento mental son especialmente vulnerábeis. O paro neste colectivo achégase a 80%. O que me preocupa é que se agrande o risco exclusión, e que algunhas persoas entren nunha situación de franca pobreza económica e social da que lles será moito máis difícil saír. O acceso á tecnoloxía, un contratempo Garantir o apoio externo ás usuarias de saúde mental da Galiza con trastornos graves é un obxectivo que bate a diario cunha dificultade engadida. O acceso restrinxido á tecnoloxía está a ser un factor de risco, na medida en que o seu uso permite paliar o illamento social. "Moitas veces ese contacto esencial para as doentes que viven en comunidade depende de que che collan o teléfono. E hai pacientes que pola súa propia patoloxía teñen limitada a capacidade de descolgalo". A idade e as dificultades culturais tamén acoutan o acceso e o emprego da tecnoloxía, un factor que agrava o confinamento. |
NOS_33557 | O BNG de Culleredo alerta sobre esta consecuencia e urxe á veciñanza a alegar | A 'pegada sonora' é unha especie de 'mapa do ruído' que mide ese impacto dunha infraestrutura e as súas consecuencias. O BNG de Culleredo informa que Aviación Civil publicou recentemente o documento da delimitación das servidumes aeronáuticas acústicas do aeroporto de Alvedro. Unha nova delimitación, afirman os nacionalistas, que significa que os usos urbanísticos "quedarán condicionados á actividade aeroportuaria, polo que a cualificación do solo ou o réxime das edificacións actuais quedarán afectados". Que consecuencias tería isto? "A mingua de valor dos inmobles chegaría ao 20%, sempre segundo o alcalde de Culleredo, quen citou estudos técnicos sobre os documentos publicados no BOE", sinalan desde o BNG de Culleredo. As edificacións existentes actualmente dentro do perímetro seguirán sendo legais, mais "fóra de ordenación", indica o BNG que respondeu o alcalde de Culleredo a unha das súas preguntas no Pleno. "É dicir, que cando a vida útil dun inmoble chegue ao seu fin, ese solo xa non terá posibilidades de volver edificarse. Tampouco poderán ser modificadas se ese cambio supón un maior número de persoas afectadas pola delimitación acústica". Así, explican os nacionalistas, tendo en conta que a maioría do solo afectado é de uso residencial, "veríanse afectadas perto de 5.000 mil vivendas, das que case 3.000 nin sequera están dentro do plan de insonorización actual, e case 10.000 persoas serían prexudicadas. Os núcleos de poboación máis afectados serían O Burgo, Acea de Ama, Almeiras, Liñares, A Hermida ou Tarrío (Culleredo), Montrove ou Liáns (Oleiros) ou o Graxal (Cambre). En definitiva, un tercio da poboación e do territorio de Culleredo se verían directamente afectados". O contido deste documento de pegada sonora puido preverse no proxecto de Plan Director publicado en 2018, no que se adiantaba que o solo dentro dese perímetro sería "incompatíbel cos novos usos residenciais, asistenciais, educativos ou sanitarios, así como as novas edificacións ou modificacións das existentes que incrementen o número de persoas afectadas". Existe xa un documento de servidumes aeronáuticas acústicas do aeroporto, afirma o Bloque, mais só se recoñece "unha pequena parte da afectación que suporía esta nova delimitación, que data de 2007". O BNG urxe á veciñanza a alegar, pois o prazo para a presentación das mesmas remata o 28 de decembro. |
NOS_46214 | A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) vén de publicar o seu primeiro estudo sobre a organización, traballo e xestión dos 82 CIM que existen na Galiza. | Case a metade dos Centros de Información á Muller (CIM) existentes na Galiza carecen do persoal mínimo exixido para facer fronte ao asesoramento xurídico e psicolóxico ás usuarias. É unha das conclusións do informe da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) sobre estes espazos de atención que existen no país. Segundo explicaron as e os profesionais consultados, existe "dificultade para prestar unha atención de calidade pola grande demanda e a falta de medios materiais e humanos". Ao fío falaron da falta de auxiliares administrativos para atender as tarefas burocráticas. Non é estraño tendo en conta que o ano pasado pasaron por estas dependencias unhas 17.000 galegas, que solicitaron información ou axuda. Outra das cuestións a modificar é ampliar a rede de CIM ou o rango de influencia das infraestruturas que xa existen, pois no 2019 (ano que analiza o informe) cinco comarcas non contaban con ningún tipo de cobertura. O resto estaban atendidas ou ben por contar coa súa propia oficina ou por estar na área de influencia dalgunha instalación con servizo a poboación de fóra do municipio. Dos 82 centros, 74 participaron na enquisa e son o 67,56% os que atenden a mulleres de localidades das contornas. Entre estes estarían os de Vigo, A Coruña, Ferrol e Ourense. No resto das cidades son exclusivamente de ámbito municipal, pero a poboación galega está atendida case ao 50% nas grandes urbes. Atendendo á mostra de referencia, a oficina de Vigo foi a que máis xente asistiu (1.090) e a de Quiroga a que tivo menos demanda (50), mais a media acostuma a ser de 195 veciñas por CIM. Iso si, a Fegamp fai fincapé en que son as zonas costeiras as que teñen unha rede máis completa. |
NOS_24808 | O deputado do BNG cuestionou a calidade democrática do Estado español ao anunciar o seu rexeitamento ao proxecto de lei sobre o rexistro de datos de pasaxeiros. | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, puxo en dúbida a calidade democrática do Estado español desde a súa tribuna da Cámara coa mención a algunhas das vulneracións máis coñecidas, como é o caso da Operación Jaro contra 12 independentistas galegos e que inclúe a pretensión de ilegalizar unha organización política e outra social como son Causa Galiza e Ceivar. Rego, que tamén fixo referencia ao caso do rapeiro Pablo Hasel, investigado por alusións á corrupción da Casa Real, realizou estas manifestacións ao presentar unha emenda á totalidade de devolución do Proxecto de Lei Orgánica sobre a utilización dos datos do Rexistro de Nomes de Pasaxeiros para a prevención, detección, investigación e axuizamento de delitos de terrorismo e delitos graves. O nacionalista salientou que "é unha medida desacertada que incide sobre unha serie de decisións, medidas e actuacións que coartan ou vulneran dereitos e liberdades" da cidadanía. Por este motivo, o BNG rexeita esta lei "que pode dar lugar a unha censura e control de determinadas formas de actuar, de pensar, de circular que se van a considerar sospeitosas e, polo tanto, controlábeis a priori polas autoridades". A formación defende que deben evitarse "os excesos legais e as presións" que periodicamente se suceden para o acceso aos datos dos cidadáns sen o expreso consentimento destes ou sen control xudicial sobre ese acceso. Néstor Rego destacou que a vixilancia das comunicacións e os datos persoais debe ser considerada "un acto altamente intrusivo que vulnera os dereitos á privacidade e á liberdade de expresión" e que "ameaza os fundamentos de calquera sociedade democrática". "Esta lei non é ningunha garantía para a nosa seguridade, todo o contrario, temos claro que é un perigo para a nosa liberdade", aseverou. |
NOS_23802 | A maltesa é coñecida en Europa pola súa firme postura en contra do aborto, malia que afirma que, como presidenta, asumirá os mandatos comunitarios. | O pleno do Parlamento europeo elixiu esta segunda feira á conservadora maltesa Roberta Metsola como nova presidenta da institución para o que resta de lexislatura, dous anos e medio, logo de que o Partido Popular Europeo (PPE) lograse o apoio para a súa candidata dos Socialdemócratas (S&D) e dos Liberais (RE; Renovar Europa). Metsola gañou a primeira volta da votación celebrada en Estrasburgo (Francia) e impúxose así a outras dúas mulleres, a candidata da Esquerda Europea, a deputada de Esquerda Unida Sira Rego, e a exministra sueca de Cultura e Democracia Alice Bah Kuhnke, candidata dos Verdes. A 'popular' maltesa logrou unha cómoda maioría de 458 votos a favor na rolda secreta de votación, mentres que Kuhnke sumou 101 apoios e Sira Rego 57, segundo anunciou o vicepresidente da Eurocámara a cargo da votación, o socialista portugués Pedro Silva Pereira. O único candidato masculino, o polaco Kosma Zlotowski dos Conservadores e Reformistas Europeos (ECR; o grupo das formacións ultraconservadoras), decidiu finalmente retirar a súa candidatura antes da rolda de votacións, o que favoreceu o apoio do grupo á candidata 'popular'. Co nomeamento da candidata do PPE como presidenta da Eurocámara, os socialdemócratas —que non presentaron candidato alternativo— deixan de ter representación entre os principais cargos da UE, que se reparten os conservadores, con Ursula von der Leyen na Comisión Europea e Metsola no Parlamento, e os liberais, con Charles Michel no Consello. Roberta Metsola é a primeira muller que ocupa a presidencia da Eurocámara desde 2002 Metsola, que este mesmo martes cumpre 43 anos, convértese así na primeira muller en vinte anos que é nomeada presidenta do Parlamento europeo —só o conseguiron antes as francesas Simone Veil e Nicole Fontaine— e tamén na persoa máis nova en ocupar o cargo. A 'popular' maltesa sucederá no cargo ao socialista italiano David Sassoli, falecido o pasado 11 de xaneiro e cuxa substitución estaba xa prevista para esta semana porque os mandatos dos presidentes da Eurocámara teñen dous anos e medio de duración. Críticas pola súa posición "antifeminista" e contra o aborto O PPE fixo valer o respecto dos equilibrios dentro da repartición de cargos na UE coa candidatura dunha muller nova e procedente dun país pequeno do sur de Europa para gañar apoios entre outros grupos. Con todo, Metsola atopou as críticas da Esquerda e Os Verdes, que puxeron en dúbida o seu compromiso co feminismo e os dereitos fundamentais polos seus reiterados votos en contra do dereito ao aborto e dos dereitos sexuais da muller na UE. A política conservadora defendeu nas súas últimas intervencións e no seu primeiro discurso tras ser elixida presidenta que asumirá como propias as posicións da Eurocámara, tamén en áreas nas que como eurodeputada discrepou. "A miña posición é a do Parlamento, e sobre esta cuestión, este Parlamento foi inequívoco: pediu de forma repetida que estes dereitos se protexan mellor", insistiu, nunha rolda de prensa posterior, preguntada polas contradicións entre a súa posición persoal e a da Eurocámara. Metsola, ademais, anunciou a súa decisión de non exercer o seu dereito a voto no Parlamento europeo mentres ocupe o cargo de presidenta. "Xusto o mes pasado subliñamos o acceso aos dereitos sexuais e reprodutivos como unha parte esencial para lograr a igualdade de xénero e eliminar a violencia de xénero. Esta é a posición desta casa e comprométome ante todos vostedes a que esta posición será a que impulsarei, como xa fixen como vicepresidenta cando se me confiou a presidencia desta casa", resolveu. Nas intervencións previas á votación, a candidata da Esquerda europea, Sira Rego, avisou de que a Eurocámara non debe dar "nin un paso atrás" nos dereitos das mulleres europeas nin no seu dereito a decidiren sobre o seu corpo, á vez que criticou que a dereita europea sexa "demasiado permeábel" aos propósitos da extrema dereita. A controvertida posición de Malta en relación ao aborto paira sobre a nova presidenta do Parlamento. En 2004 o país entrou na Unión coa condición de non asumir as políticas comunitarias en materia de dereito ao aborto. Metsola é, a ollos da Eurocámara, unha fervente antiabortista. |
NOS_21609 | A interventora xeral da Xunta certifica no Parlamento o fechamento do exercicio orzamentario a 30 de setembro. Con esta manobra contábel só asumiron o pagamento de actuacións certificadas antes desa data. | A Xunta confirmou que fechou o exercicio orzamentario antes de outubro do ano pasado. Con este fechamento antecipado das contas da Galiza o goberno de Feijóo só asumiu o pagamento de actuacións certificadas antes desa data. Segundo os datos da Xunta, nos últimos cinco meses do ano só pagaron 145 millóns de euros dun total de 987, o 14 por cento do crédito vixente. Deste modo, contabilizando o orzamento da Xunta vixente durante 9 meses, as contas cadraron no exercicio pasado. Esta situación foi descuberta cando o propio presidente da Xunta admitiu que entre xaneiro e abril o Goberno galego tería que pagar 1.500 millóns de euros de facturas adiadas do ano anterior. |
NOS_33217 | Após as preestreas en Cans, Cineuropa e o Culturgal, a adaptación da obra teatral de Chévere Eroski Paraíso chega aos cinemas galegos esta sexta feira 13 de decembro. A equipa do filme apresentarao na sala Numax de Compostela ás 22 horas. | Adaptar unha das obras máis celebradas de Chévere debe impor respecto. Jorge Coira, que asina o guión de Eroski Paraíso xunto a Xesús Ron, autor da orixinal, tiña claro que non emprendería tal aventura até "atopar unha forma de xogar dunha maneira semellante a como o facía a obra de teatro con esa xenialidade de que non existise a cámara", explica en declaracións a Sermos Galiza. "Debía atopar unha forma de xogar dunha maneira semellante a como o facía a obra de teatro", explica Coira Coira precisaba traducir Chévere con técnicas puramente cinematográficas. Así chegou ao punto sobre o que vira o filme: son as imaxes da cámara da portagonista, que intenta facer un documental sobre como se coñeceron seus pais na discoteca Paraíso de Muros, hoxe convertida nun Eroski. Esta premisa sérvelle para elaborar unha peza que xoga constantemente entre o mundo do real e o representado, cunha naturalidade que bebe do intenso traballo actoral de Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira e Cris Iglesias. Con todo, a película "non agocha a súa orixe teatral", afirma Coira. Nese equilibrio prende a chispa que mantén acendida no filme a marca da casa Chévere para falar dese nós colectivo no que nos vemos reflectidos e dos cambios sociais que levan á transformación dos espazos de ocio en lugares de consumo. Eroski Paraíso chega ás salas de cinema da Galiza esta sexta feira 13 de decembro. A equipa estará apresentándoa na sala Numax (Compostela) ás 22 horas, nunha sesión que irá seguida de coloquio. |
NOS_50138 | Múltiples movimentos no taboleiro. Acordos e trasacordos. Presidencias simbólicas, lexítimas, executivas. O rodopío non para. A última novidade sustantiva: a anticapitalista CUP ábrese agora á hipótese de investir alguén distinto a Puigdemont. "Isto non vai de persoas", afirma. | O día en que Roger Torrent resolveu adiar o pleno de investidura do Parlament inicialmente previsto para investir o político de Girona, o taboleiro oferecía unha alianza impensábel meses atrás: a de JxCat e a CUP, unidos na defensa da lexitimidade do ex presidente como único candidato posíbel. ERC ficaba á marxe, entalada entre o centro-direita do PDeCAT e o anticapitalismo das e dos cupaires. Mais o factor tempo -e a realpolitik, coa ameaza do PP de prorrogar o 155 de a maioría independentista aprobar unha reforma regularmentar que permitise unha investidura telemática- corre en contra dos intereses de Puigdemont e socavan as bases en que sustenta a súa posición. Destarte, esta cuarta feira, e por vez primeira desde o 21D, a CUP abriu a billa a dar o seu apoio a un candidato distinto ao fuxido en Bruxelas. "Isto non vai de persoas", dixo a portavoz do Secretariado Nacional da CUP, Núria Gibert, en declaracións a unha emisora catalá, La Xarxa. "Isto vai de millóns de persoas que queren unhas novas institucións e iso pasa por ter alternativas en calquera momento". Alternativas para a eventualidade de a vía Puigdemont chegar a un beco sen saída. A CUP comezaría, por tanto, a ser sensíbel ao discurso de ERC: neste momento a chave non pasa tanto por restituír o Govern lexítimo -Puigdemont president, Junqueras vicepresidente-, senón por deixar atrás o 155 e reactivar así as institucións catalás de autogoberno. A vía Puigdemont As declaracións de Núria Gibert poñen terra de por medio con relación aos planos de Junts per Catalunya, sobre a vía que esa formación plantexa para investir Puigdemont. O roteiro proposto polo líder exiliado sería a modificación da Lei da Presidencia antes da propia investidura -necesariamente, para acortar os prazos, tería de ser nun trámite de leitura única- con vistas a permitir a elección telemática do president. JxCat insiste en que non quer unha presidencia simbólica, senón plenamente executiva. ERC afirma estar disposto a investir Puigdemont, mais sotto vocce as súas portavocías expresan dúbidas sobre o percorrido desta estratexia, nomeadamente tendo en conta o anuncio da Moncloa de que impugnará calquera alteración lexislativa no Parlament previa á investidura. A ameaza dunha prórroga indefinida, e mesmo cunha versión endurecida, do 155 paira sobre o soberanismo. Assemblea d'Electes de Catalunya Unha alternativa a este plano sería a de unha investidura simbólica de Puigdemont que coexistise coa designación por parte do Parlament dunha presidencia executiva. Esta idea foi proposta no seu día por Junqueras e non é do agrado de Puigdemont, mais talvez o último movimento da CUP -ao restar pontos de apoio ao líder de JxCat- obrigue o político de Girona a aceitar esta solución. Esa investidura simbólica correría a cargo da Assemblea d'Electes de Catalunya (Aecat), unha institución criada en 2016 a iniciativa da Assemblea de Municipis per la Independència e que potencialmente pode reunir os 9.283 cargos eleitos de todas as institucións democráticas de Catalunya. Poden aderir esa Aecat 9.077 concelleiras e concelleiros; 135 membros do Parlament; 47 parlamentares do Congreso; 16 senadoras e senadores, e 8 eurodeputadas e eurodeputados. Desa nómina potencial fan parte na actualidade da Assemblea por volta de 4.000 cargos, isto é, 43 por cento do total. |
NOS_13558 | A ponte de Cans, na parroquia de Nebra (Porto do Son) foi, hai 102 anos, escenario do asasinato de cinco labregas. As catro mulleres e un home opúñanse aos atropelos dos caciques, que non dubidaron en se valer dos militares. O monográfico Rebeldía Galega contra a inxustiza recolle este e outros episodios de revoltas campesiñas e preséntase esta sexta feira no local veciñal de Nebra. | O acto será ás cinco da tarde e nel intervirán Francisco Rodríguez, un dos coautores do volume, Patricia Torrado Queiruga -autora do texto Mulleres en loita a comezos do século XX- e Roberto Vilaméa, do Consello de Administración de Sermos Galiza, editora do volume. Dúas horas máis tarde (19:00) haberá unha ofrenda floral na ponte de Cans, organizada por familiares e amigos das mártires coa colaboración da Comunidade de Montes de Nebra. O BNG de Porto do Son tamén renderá honores ás campesiñas asasinadas na mesma ponte. Será ás seis da tarde ao pé do monolito que lembra as mortas e intervirán Santiago Suárez e o candidato do Bloque á alcaldía do concello Balbino González. |
PRAZA_2946 | Semella, pois, que a Coroa tende a se identificar cos valores do nacionalismo español e renuncia ao exercicio da súa función moderadora. Afastandose non só das periferias, senón dos sectores cívicos máis partidarios do cambio. | O Xefe do Estado escolleu este Nadal o Salón do Trono do Pazo Real de Madrid para lle transmitir á cidadanía española unha mensaxe na que tomou partido a prol dunha idea de España uninacional e esencialista, vencellada a unha suposta historia común de grandes éxitos. E vencellou a Monarquía, a Coroa, a esta idea esencialista, máis ancorada no pasado que proxectada no futuro. A propia escolla do lugar afastou a El-Rei de transmitir proximidade e complicidade, para salientar a solemnidade e a vinculación da dinastía Borbón con ese pasado de supostas glorias comúns, no canto de conectala coa elección cidadá e co pacto social. Mágoa que Felipe de Borbón non lembrase que os seus devanceiros protagonizaron episodios tan pouco edificantes como a represión en Catalunya, Illes Balears ou País Valenciano (Felipe V, 1707-1715), a represión aos liberais e demócratas de Fernando VII ( 1814-20 e 1823-33) ou o apoio do seu bisabó Alfonso XIII á ditadura de Primo de Rivera (1923) e ao golpe do xeneral Franco (1936). Porque, alén dos parabéns de Nadal en galego, catalán e euskera, El Rei non fixo aceno ningún a prol da España plurinacional e amosou ben ás claras as súas prioridades. O problema principal sería a unidade do Estado, non os déficits de xustiza social, equidade e falla de cohesión xeradas pola Gran Depresión. Velaí que todas as forzas políticas alleas ao trivote PP-PSOE-C´s sinalaran as súas graves diferenzas co eixo do relato de El-Rei. Semella, pois, que a Coroa tende a se identificar cos valores do nacionalismo español e renuncia ao exercicio da súa función moderadora. Afastandose non só das periferias, senón dos sectores cívicos máis partidarios do cambio. Asumindo o relato da dereita española, reconciliándose cos sectores sociais máis específicamente monárquicos e renunciando á sedución dos sectores máis progresistas. Felipe de Borbón manifestou un concepto de "Constitución" esencialista e pouco aberto a remudas ou reformas. Un concepto estático de legalidade constitucional que fai prognosticar unha actitude continuadamente refractaria da Coroa fronte ao encaixe plurinacional do Estado. Polas razóns que sexan, o Xefe do Estado semella que xa non acredita naquel lugar común da "Monarquía para todos" |
PRAZA_18732 | Varias profesionais MIR de cuarto ano que se están a formar no Centro de Saúde de Redondela (Unidade docente de Vigo) foron interpeladas pola responsable de docencia da unidade para realizar gardas no propio Punto de Atención Continuada de Redondela substituíndo a un médico ou médica titular no propio dispositivo. Negáronse, con criterio. | Recentemente varias profesionais MIR de cuarto ano que se están a formar no Centro de Saúde de Redondela (Unidade docente de Vigo) foron interpeladas pola responsable de docencia da unidade para realizar gardas no propio Punto de Atención Continuada de Redondela substituíndo a un médico ou médica titular no propio dispositivo. Negáronse, con criterio. Vaia o meu respecto e gratitude pola defensa da dignidade profesional. (Hai futuro!)Varias profesionais MIR de cuarto ano que se están a formar no Centro de Saúde de Redondela foron interpeladas pola responsable de docencia da unidade para realizar gardas no propio PAC de Redondela substituíndo a un médico ou médica titularA proposta da Unidade Docente consistía en que quedara unha única médica-o adxunta para a titorización, aforrando a presenza do segundo efectivo que contempla o Plan Funcional do Sergas. Esta viría a ser ocupada por un/ha MIR de cuarto ano. Entendíase que isto ocorrería de modo transitorio pola situación de incapacidade laboral dun titular e a carencia de médicos e médicas dispoñibles, mais nun comunicado feito público día 5 de decembro xa se deixa entrever a posibilidade de que isto comece a instaurarse como medida habitual.Hai escasos anos, o Ministerio de Sanidade incrementou a formación MIR de tres a catro anos, convertendo aos/ás especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria en profesionais valiosísimos para o manexo de pacientes en diversidade de recursos asistenciais, entre eles a consulta ordinaria de Atención Primaria e nos Puntos de Atención Continuada.Con esta medida desvirtúase o sentido do cuarto ano de formación. Ademais, o persoal MIR non pode desenvolver legalmente labores de titular ata o remate da formaciónCon esta medida desvirtúase o sentido do cuarto ano de formación. Ademais, o persoal MIR non pode desenvolver legalmente labores de titular ata o remate da formación, debendo estar sempre titorizado (nunca pode quedar só). Desde un punto de vista ético tampouco se sostén na medida en que atenta contra o dereito á propia formación e contra a atención das persoas enfermas por persoal coa titulación esixible (ou no seu defecto cunha titorización efectiva). Resulta especialmente preocupante que a proposta sexa canalizada a través da propia Unidade Docente, que debería velar polo interese superior da formación en óptimas condicións.Nun dispositivo asistencial onde o plan funcional establece necesaria a presenza de dous efectivos médicos enténdese que a demanda é considerable e suficiente para manter esas dúas figuras. Isto implica, en ocasións, a necesidade de asistir urxencias vitais ou saídas a domicilio con certa prioridade.En caso de que o médico ou médica titular abandone o dispositivo para esa asistencia fóra, o MIR debería facelo igualmente por dous motivos: porque non pode quedar só/soa e porque a súa presenza no PAC atende tamén a motivos docentes: ou sexa, para aprender de todas as situacións. Nese contexto, o PAC quedaría desatendido, supoñendo unha exposición innecesaria para as persoas enfermas. (Lembramos as funestas consecuencias que este factor xa tivo na morte dun paciente na Estrada o pasado verán).A situación de déficit estrutural de efectivos médicos da atención primaria é consecuencia do abandono do investimento neste nivel asistencial sostido ao longo dos últimos anosOutros factores agravantes desta situación é que se habilita unha vía para utilizar aos MIR como man de obra barata, na medida en que estas gardas serían remuneradas a "prezo MIR".A situación de déficit estrutural de efectivos médicos da atención primaria, tanto de pediatría (en maior medida) como de medicina de familia (con maior gravedade na área de Vigo), é consecuencia do abandono do investimento neste nivel asistencial sostido ao longo dos últimos anos, como se pode visualizar nos Orzamentos da Xunta.Pero ademais alude a unha mala programación e a unha perda de perspectiva sobre a importancia deste ámbito asistencial, recoñecido en todos os informes de xestión sanitaria como o máis eficiente, accesible e resolutivo para a saúde das persoas, sen esquecer que é o que máis benestar e confianza suscita (como se aprecia nas sucesivas enquisas á poboación xeral).Cómpre facer unha chamada de atención sobre a promoción da precariedade laboral por parte do SERGAS, mesmo antes da incorporación formal ao mercado laboralFinalmente cómpre facer unha chamada de atención sobre a promoción da precariedade laboral por parte do SERGAS, mesmo antes da incorporación formal ao mercado laboral. A ausencia de programación das necesidades e a sobrecarga asistencial inducen que, ao non poder facerse prevención e promoción da saúde se derive cara a un asistencialismo insostible a medio prazo.Gañaría a saúde das persoas e a dignidade das profesionais. Como a que mostraron as médicas e médicos residentes de medicina familiar e comunitaria de Vigo. ParabénsProponse como alternativa unha dinámica de coidado ás profesionais como elemento máis valioso do sistema con contratos dignos para a súa permanencia. Esta sería a única garantía da súa sostenibilidade cos niveis de calidade asistencial que están a administrar (grazas ao seu esforzo e contra as políticas de recortes da Consellería de Sanidade).En definitiva, gañaría a saúde das persoas e a dignidade das profesionais. Como a que mostraron as médicas e médicos residentes de medicina familiar e comunitaria de Vigo. Parabéns. Unha evidencia de que o futuro será mellor ou non será. |
PRAZA_3990 | Entidades como ASEIA ou Maternidades Feministas reaccionaron con críticas ao anuncio do Goberno de limitar as saídas de nenos e nenas ás excepcións xa previstas para as persoas adultas e valoran positivamente a rectificación, pero reclaman medidas menos "adultocéntricas" e que teñan en conta as necesidades e dereitos dos e das menores. Falamos con Sabela Losada Cortizas | O primeiro anuncio fora recibido con grandes críticas por parte das familias con crianzas, que dende hai semanas veñen reclamando que engadan novas excepcións para que os nenos e nenas poidan ter un momento cada día para estar ao aire libreUn anuncio e unha rectificación, en poucas horas. O Goberno central detallou este martes a anunciada medida sobre o permiso para que os e as menores de 14 anos puidesen saír da casa nunha nova fase do confinamento, a partir do vindeiro luns. Aínda que nun primeiro momento o Executivo limitounas á posibilidade de acompañar ás persoas adultas naquelas saídas breves que xa estaban autorizadas -ir á compra, á farmacia, ao banco ou a pasear o can-, finalmente a "presión social" -como recoñeceu o ministro de Sanidade- obrigou a unha rectificación. Nenos e nenas de menos de 14 anos poderán saír á rúa a partir do luns a pasear, xogar ou o que queiran, nunhas condicións (limitacións de tempo, precaucións ante posibles contaxios...) que serán comunicadas nos vindeiros días.O primeiro anuncio fora recibido con grandes críticas por parte das familias con crianzas, que dende hai semanas veñen reclamando que engadan novas excepcións para que os nenos e nenas poidan ter un momento cada día para estar ao aire libre, coas medidas de prevención e seguridade que sexan necesarias. Materfem está a levar a cabo unha enquisa online na que recollen información sobre as circunstancias nas que as crianzas están a pasar o confinamentoSobre isto, a Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia (ASEIA) difundiu na tarde do martes un comunicado no que pedía "superar unha perspectiva adultocéntrica onde se toma como referencia de actividades para os nenos as dos adultos, e urbanocéntrica (pensadas en saídas de contornas urbanas, non rurais)". "É necesario que este proceso sexa entendido como unha prioridade social", concluía a entidade.En termos semellantes expresábase o grupo compostelán de Maternidades Feministas (Materfem) , que leva tempo demandando a posibilidade de que as crianzas poidan saír das súas casas cando menos uns minutos ao día. Ademais, Materfem está a levar a cabo unha enquisa online sobre "Maternar en tempos do coronavirus" na que recollen información sobre as circunstancias nas que as crianzas están a pasar o confinamento, como está a afectar esta situación a nenos e nenas e ás súas familias. De momento, a enquisa conta con ao redor de 60 respostas, maioritariamente de nais de nenos e nenas de menos de 5 anos. Unha parte importante das persoas que participaron subliñan entre os elementos que fan "máis difícil o confinamento" a carencia dun espazo exterior nas vivendas (terrazas, patios, balcóns...), a falta de espazo verde ou "a imposibilidade de saír coas crianzas a airearse un pouco". Así mesmo, sinalan as dificultades económicas e "a falta de contacto con persoas queridas (amizades, familiares...)". Unha maioría de respostas salientan que "ser nai con crianzas é máis difícil manter o confinamento" e, sobre todo reivindican que os poderes públicos deberían ter adoptado "medidas especiais para facer máis doada ás nais e ás súas crianzas esta situación". Falamos con Sabela Losada Cortizas, unha das integrantes de Materfem.Como valorades, primeiro, a rectificación anunciada polo Goberno? E como fora a vosa reacción ao primeiro anuncio, que limitaba as saídas a un 'acompañamento' ás actividade permitidas aos adultos?"Valoramos positivamente esa rectificación, porque o que dixeran este martes pola mañá non tiña nin pés nin cabeza. Con todo, seguimos á espera, porque segue sen concretarse exactamente como vai ser todo"Valoramos positivamente esa rectificación, porque o que dixeran este martes pola mañá non tiña nin pés nin cabeza. Con todo, seguimos á espera, porque segue sen concretarse exactamente como vai ser todo.O certo é que cando escoitamos o primeiro anuncio ficamos moi sorprendidas, non conseguiamos comprender a lóxica deste plantexamento. Ás veces parece que as persoas que lexislan non viron nunca de preto unha crianza ou un grupo de crianzas. Non era unha medida que tivese en conta o que as crianzas necesitan, senón que parecía que só pensaba no acto de consumir. Esquecía que nenos e nenas necesitan moverse, necesitan que lles dea o sol e desconectar desa sensación de peche e de estrés que están vivindo."Parecía que eran medidas pensadas unicamente para espazos urbanos, que non teñen sentido nas realidades rurais"Parecía, ademais, que eran medidas pensadas unicamente para espazos urbanos, que non teñen sentido nas realidades rurais: para que vas levar os teus fillos a unha farmacia cando os podes levar a dar unha volta polo monte, que o tes ao lado, onde non vai haber ninguén e onde hai menos risco de contaxio? En definitiva, estabamos ante un plantexamento completamente adultocéntrico que non mira polas crianzas. Non se ten en consideración que os nenos e nenas e tamén os e as adolescentes tamén son persoas e tamén teñen dereitos e deben ser tidos en conta.Estades satisfeitas coa solución que en principio se apunta, aínda que de momento non coñezamos todos os detalles? Que medidas serían as axeitadas, na vosa opinión?"Percibimos que hai unha falta de confianza nas crianzas e nas familias, como se se pensase que van causar un desastre en canto baixen á rúa ou que non somos capaces de controlar as nosas fillas e fillos"Nós pensamos que non debería haber limitacións de tempo. Pero sempre é mellor que saian un tempo, aínda que sexa curto, a que non saian nada. O que pedimos, sobre todo, é que se confíe máis nas crianzas e nas súas familias, porque a realidade é que mantivemos unha actitude moi responsable durante todo este mes e pico que levamos de confinamento. Percibimos que hai unha falta de confianza nas crianzas e nas súas familias, como se se pensase que van causar un desastre en canto baixen á rúa ou que non somos capaces de controlar as nosas fillas e fillos. Esa falta de confianza levou a moitas nais e as súas crianzas a sufrir insultos nas últimas semanas.A realidade é que non hai perigo de que as crianzas van propiciar un contaxio masivo en canto saian á rúa e que o confinamento infantil non ten xustificación científica, non hai nada que indique que as crianzas son vectores de contaxio. Fronte a esa falta de confianza e ás limitacións, o que si agradeceriamos son indicacións que nos axuden a evitar os contaxios, porque probablemente as crianzas non quererán levar máscaras ou non haberá luvas do seu tamaño. Este "alivio do confinamento" é urxente? Vai contribuír a mellorar a forma en que nenas e nenos (e tamén as súas familias) están a levar o confinamento?"É urxente que as crianzas que están nunha situación peor (de máis tensión, de menos espazo nas súas casas...) teñan a posibilidade de saír un pouco ao aire libre"É urxente que as crianzas que están nunha situación peor (de máis tensión, de menos espazo nas súas casas...) teñan a posibilidade de saír un pouco ao aire libre. Hai que saber adaptarse ás distintas situacións, con medidas que permitan que as persoas poidan aproveitar as cousas boas das súas circunstancias e minimizar os riscos onde os haxa. Pedimos que se teña en conta a realidade de todas as persoas, independentemente da súa idade, e que teñamos en conta que as necesidades de unhas e outras son distintas.E cómpre lembrarnos tamén dos e das adolescentes, que viven outra realidade distinta á das persoas adultas ou á dos nenos e nenas. As e os adolescentes tamén están a sufrir o confinamento, pechadas e pechados na casa coas súas familias, que é algo que pode non gustarlles en determinados momentos e afastadas e afastados dos seus grupos, que é un elemento moi importante para elas e eles nesas idades.Que efectos está a ter o confinamento sobre as crianzas e tamén sobre as súas familias? Como o están a levar, á vista da vosa experiencia e das respostas que estades tendo na enquisa?"Hai moitas nais e pais que seguen a traballar na casa, ás veces con horarios excesivos e nunha situación de grande estrés. Nesas condicións é imposible atender ás crianzas, traballar, coidar..."A clave é que as realidades son moi diversas. Por exemplo, nas contornas rurais as medidas non poden ser as mesmas que nunha cidade. Hai crianzas que teñen horta ou xardín e outras que non. Hai crianzas que están acompañadas polos seus irmáns e irmás e poden xogar con elas, e outras que non.Depende moito da situación da súa familia. Mesmo hai crianzas que estes días son moi felices, porque poden estar na casa coa súa familia, porque por fin teñen tempo. Porén, en xeral, hai moitas nais e pais que seguen a traballar na casa, ás veces con horarios excesivos e nunha situación de grande estrés; nesas condicións é imposible atender ás crianzas, traballar, coidar... E non chegamos a nada: nin traballamos, nin coidamos. As propias crianzas están abrumadas pola gran cantidade de deberes que están recibindo, pola gran carga de traballo que están obrigadas a realizar."É o momento de baixar o ritmo e saír do aceleramento no que estaba instalado o mundo e que foi o que nos levou a isto"A realidade é que estes días as nais estamos completamente saturadas, porque ademais de traballar, de coidar ou de encargarnos da casa, hai unha especie de presión social nestes momentos, no sentido de que tes que ser unha gran animadora da túa familia e de que tes que estar todo o tempo facendo actividades, manualidades... Quizais non é o tempo para iso, senón que é precisamente o momento de baixar o ritmo e saír do aceleramento no que estaba instalado o mundo e que foi o que nos levou a isto. |
NOS_33110 | Convocan unha caravana para denunciar o "abuso" da Administración nas contratacións temporais. | As e os traballadores do sector público están chamados a participar este domingo na caravana de coches que se organizará en Compostela entre as 11 e as 12 horas. Esta convocatoria, que terá lugar en diferentes cidades do Estado español, ten por obxectivo denunciar o "uso abusivo das contratacións temporais por parte da Administración". "Desde hai máis de 20 anos, todas as Administracións Públicas recorren a contratos temporais para cubrir necesidades que non son provisionais e urxentes, senón permanentes e estábeis", lamentan, nun comunicado remitido aos medios. Deste modo, o sector público incorre nun "abuso" da contratación temporal que está "prohibido por unha norma comunitaria de obrigado cumprimento, a Directiva 1999/70/CE, que segue a incumprirse impunemente". "Neste escenario de desamparo e incerteza para milleiros de familias, que afecta principalmente a mulleres cunha media de 50 anos sen opción a incorporarse ao mercado laboral de seren cesadas, a Comisión Europea segue vixilante para decidir se demanda ao Estado español por incumprimento, mantendo abertos varios expedientes de infracción por este motivo", afirman as e os traballadores. O persoal da Administración exixe que se intensifiquen os controis de legalidade e as inspeccións sobre as contratacións temporais e sancionar os abusos. Piden tamén pór fin ao "despedimento libre e gratuito", paralizar as ofertas de emprego que inclúan prazas ocupadas por persoal temporal. |
NOS_49630 | Miles de persoas concentráronse este domingo fronte á Subdelegación do Goberno en Lugo en apoio aos traballadores da fábrica de aluminio Alcoa. Á manifestación acudiron tamén traballadores de Vestas "como sinal de apoio | Miles de persoas concentráronse este domingo fronte á Subdelegación do Goberno en Lugo en apoio aos traballadores da fábrica de aluminio Alcoa. Á manifestación, convocada polo Comité de Empresa da fábrica, uníronse ademais, "como sinal de apoio", traballadores Vestas, tal e como confirmou aos medios o presidente do Comité, José Antonio Zan. Segundo datos da propia xunta, 3.000 persoas reuníronse na "abarrotada" praza situada xusto enfronte da Subdelegación, á que lanzaron ovos e fariña en sinal de repulsa pola súa actuación no conflito. Tamén se queimou un retrato da ministra de Industria, Reyes Maroto, no que ademais podía lerse "Motos Maroto, este mes oferta de motos". "Continuamos reclamando que a Xunta, e concretamente o señor Feixoo, pida dunha vez, por escrito, a intervención do SEPI. E que a ministra de Industria se deixe de contos dunha vez", aseverou Zan. Manifestación 17 de outubro Este sábado, os traballadores de Alcoa, nun vídeo remitido aos medios de comunicación, insistían en que "non van parar" até poder explicar ante o Ministerio de Industria, "todo o que lle fixo Alcoa aos traballadores" e "todo o que se incumpriu por parte do Goberno". "Iremos reclamar os nosos dereitos e a loitar polo futuro da Mariña, que necesita unha fábrica de aluminio primario; fundamental para a transición ecolóxica"; defendían. É por este motivo que, nunha nova concentración da man dos sindicatos, o próximo 17 de outubro en Viveiro volveranse manifestar para "reclamar un Plan industrial para a comarca da Mariña". |
NOS_57872 | Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, se referiu a esta cuestión: "Sorprende que Feixoo se poña de perfil neste tema". | O portavoz parlamentario do PSdeG-PSOE, Luís Álvarez, pediu esta segunda feira ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, unha "rectificación pública" após "tentar relativizar" os abusos sexuais a menores cometidos no seo da Igrexa católica. "É un problema gravísimo ante o que non caben respostas tenues nin son admisíbeis intentos de difuminar o enfoque, senón que require dunha resposta social contundente, claridade e profundidade nas investigacións e apoio ás vítimas e reparación dos danos que se lles causaron", apuntou o dirixente socialista. Cómpre lembrar que o grupo do PSdeG presentou a pasada semana unha batería de iniciativas na Cámara galega para instar a Valedora do Pobo a investigar esta cuestión. Álvarez incidiu en que "ninguén está a facer unha causa xeral contra a Igrexa" e lembrou que a pasada semana el mesmo sinalou que "tiña o convencemento de que nin a propia Igrexa compartía a opinión de Feixoo e do PP de Ayuso", unha "intuición" que, afirmou, "viuse corroborada esta fin de semana cando o arcebispo de Compostela dixo que a investigación era ben recibida e que o que había que facer era pedir perdón e asesorar legal e psicoloxicamente ás vítimas". "Enfronte temos a soidade do PP da Galiza e do presidente da Xunta", lamentou o socialista, que amosou a súa "preocupación" pola "deriva" das e dos populares galegos, "antes máis moderados e agora facendo un seguidismo innecesario da radicalización do Partido Popular". Trátase, sinalou Luís Álvarez, dunha "estratexia baseada nun discurso simple" cunha "mensaxe reducida que minusvalora a propia capacidade da xente para analizar a realidade de forma global, apelando sistematicamente a emocións primarias". Isto, ao seu xuízo, "evidencia o nerviosismo do PP fronte a un PSdeG propositivo, disposto incluso, como declarou o secretario xeral, Valentín González Formoso, a compartir os custos políticos de determinadas medidas que poden ser necesarias". O BNG critica que Feixoo "se poña de perfil" Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, se referiu a esta cuestión na rolda de prensa que ofreceu esta segunda feira, e considerou "sorprendente" e "curioso" que cando o Papa reclama unha comisión de investigación sobre os abusos no seo da Igrexa o presidente Núñez Feixoo "se poña de perfil neste tema". Así, e logo de que o mandatario galego avogase a pasada semana por investigar supostos abusos de "todas as institucións", Pontón instouno a presentar unha denuncia "se sabe que hai abusos non investigados noutros eidos". "É fundamental que non se mire cara a outro lado, é unha cuestión que até o propio Papa sinalou", incidiu a nacionalista, a respecto dos "estremecedores" casos denunciados nas últimas datas. |
NOS_54506 | Na sesión, de carácter extraordinario, os grupos da oposición reclamaron a demisión do presidente provincial pola denuncia que o acusa de ofrecer traballo a cambio de sexo. | Esta terza feira (3 de novembro) a Deputación de Ourense acollía unha sesión plenaria extraordinaria con motivo da denuncia que unha muller presentou contra o presidente provincial, José Manuel Baltar. No pleno, as forzas da oposición exixirían explicacións ao líder provincial do PP e tamén a súa reprobación política por parte do hemiciclo. Porén, Baltar e o grupo do Partido Popular anunciaron a súa ausencia antes de dar comezo a sesión. O PP de Ourense tildou de "lamentábel" a sesión e de "miserábeis" as forzas da oposición através dun comunicado que din non se prestarán a "facer política lixo". Aliás, coidan que as demais forzas políticas están a facer un "ataque de tipo persoal" contra Baltar, algo que, din, o PP "non ten intención de facer nunca" contra elas. O grupo popular xustifica a súa ausencia asegurando que non se prestan a "facer política lixo" Neste senso, reclaman, "educación, dignidade e respecto" do que "semella carece" quen "este desesperado intendo" por "xogar a ser xuíz". Así, o pleno tivo que ser presidido polo deputado de maior idade, o socialista Vicente Gómez. Malia a ausencia do grupo maioritario e do seu líder os demais grupos (PSOE, BNG e Democracia Ourensana) defenderon a moción e exixiron a demisión de Baltar ao que Gonzalo Pérez Jácome definiu como "psicópata". A reprobación proposta e aprobada polos grupos da oposición veu motivada pola denuncia que unha veciña de Ourense presentou contra o presidente da Deputación por lle ofrecer un posto de traballo na institución a cambio de manteren relacións sexuais nun luxoso hotel da cidade. O PP de Ourense tilda de "lamentábel" , "ruín" e "miserábel" o pleno solicitado após coñecerse a denuncia A muller achegou á Fiscalía gravacións nas que o líder do executivo provincial aseguraba ter capacidade para modificar puntuacións nos concursos públicos de selección de persoal, entre outras cuestións. Ao longo dos últimos días BNG, AGE e PSdeG exixiron en diversas ocasións a demisión do presidente da Deputación de Ourense por "acoso sexual" e "prevaricación" ao tempo que reclamaron explicacións ao PP e o propio Baltar. Porén, desde o partido o seu presidente e mandatario do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, non só deu respaldo ao dirixente provincial senón que acusou a denunciante de tentar facer delinquir a Baltar embora "non o conseguiu". "O que se pretendía por parte da denunciante non aconteceu", asegurou. |
PRAZA_18825 | As alertas polas carencias na Atención Primaria derivaran en 2015 en catro grupos de traballo que remataron en 2017. Tras a dimisión en bloque dunha vintena de xefes de centros de saúde de Vigo a Consellería volveuse reunir co persoal e propón abordar melloras en seis novos grupos | A finais de 2015 o Consello Galego de Colexios Médicos e as tres sociedades científicas de Atención Primaria en Galicia (Agamfec, SEMG e Semergen) deron a voz de alarma sobre as carencias da porta de entrada ao sistema sanitario público, os ambulatorios e centros de saúde. Como tamén estaban a facer sindicatos e forzas da oposición, alertaban de carencias en ámbitos como a estabilidade laboral: a base de contratos precarios e faltas de substitucións, as axendas dos centros sanitarios masifícanse, subliñaban.As alertas polas carencias na Atención Primaria derivaran en 2015 na creación de catro grupos de traballo que remataron as súas reflexións e propostas na primavera de 2017Aquelas reivindicacións foron condensadas nun documento que as entidades médicas entregaron á Consellería de Sanidade. O departamento gobernamental, daquela aínda dirixido por Rocío Mosquera -sería remudada no posto poucos días despois- puxo en marcha catro grupos de traballo para, coa participación do persoal, "buscar liñas de mellora e solucións concretas aos problemas da práctica diaria. Tres anos despois as alertas na Atención Primaria son aínda maiores e para tentar acalmalas a Consellería vén de ofrecer abordar os problemas outra volta en grupos de traballo, agora nun total de seis no canto dos catro de 2015.Aqueles grupos de traballo botaron a andar en 2016 e sintetizaron as súas reflexións en varios documentos que remataron na primavera de 2017. Segundo explicaran daquela o Consello Galego de Médicos e as sociedades científicas, o Servizo Galego de Saúde asumira "compromisos" como unha mellor xestión da cobertura das ausencias do persoal facultativo por baixas ou vacacións. Entre as medidas concretas, advertían, estaba "non bloquear as axendas de consultas de atención primaria agás circunstancias excepcionais" ou evitar, como "viña ocorrendo con excesiva frecuencia", que "un mesmo paciente co mesmo problema de saúde sexa atendido por diferentes facultativos nun curto espazo de tempo".Colexios médicos e sociedades científicas apelaran naqueles traballos a "acabar cos contratos precarios" como vía para paliar as deficiencias en centros de saúde e ambulatoriosAqueles grupos de traballo de hai tres anos consideraran que "a mellor medida" para paliar as carencias que detectaran e as que ían vir no futuro era "acabar cos contratos precarios de médicos en Galicia". Para facelo propuñan figuras como a creación dun "contrato de continuidade", de seis meses prorrogables para medicina de familia e pediatría que non estivese nas listas de contratación do Sergas. "Lamentamos e non comprendemos que, por supostas dificultades administrativas, o Sergas non aceptase esta proposta", concluían daquela.Un trienio despois as denuncias de precariedade laboral e na asistencia nos centros de saúde e ambulatorios galegos non só non minguaron, senón que van en aumento. Tras meses de protestas máis ou menos localizadas o conflito subiu varios chanzos cando, nos primeiros días de decembro, unha vintena de xefes de centros de saúde de Vigo dimitiu en bloque para denunciar o que consideraban unha "insostible" situación de "deterioración" e "sobrecarga asistencial". Tras dimisión en bloque dunha vintena de xefes de centros de saúde de Vigo a Consellería volveuse reunir co persoalEntre os primeiros apoios recibidos polos profesionais dimisionarios estiveron, precisamente, os do Consello Galego de Médicos. A entidade que agrupa as catro entidades colexiais galegas instou a Consellería de Sanidade a actuar xa no canto de anunciar "medidas que nunca chegan e só contribúen a xerar malestar e conflito entre os profesionais". Se non o fai, advertían, o conflito podía estenderse a outros centros de saúde e tamén aos hospitais.Con este pano de fondo, esta semana a Consellería lanzou a súa nova proposta de grupos de traballo. O conselleiro Vázquez Almuiña e o resto do equipo directivo de Sanidade reuniu a máis de medio cento de representantes da Atención Primaria "de todas as áreas sanitarias" coa intención declarada de "continuar avanzando no desenvolvemento dun novo modelo de Atención Primaria adaptado ás necesidades do século XXI", informou o departamento.Almuíña propuxo agora crear "seis grupos de traballo" para abordar a "atención da demanda con calidade e seguridade" ou priorizar investimentosPara facelo, Sanidade propón "crear seis grupos de traballo que abordarán a reorganización e a creación de equipos para identificar os novos roles dos profesionais" neste ámbito da sanidade pública, a "atención da demanda con calidade e seguridade", a "priorización do plan de investimentos previstos para 2019" en ambulatorios e centros de saúde, as "relacións coa atención hospitalaria", a formación e as "relacións cos pacientes a través das novas plataformas tecnolóxicas. Estes grupos terán as "primeiras conclusións" o vindeiro febreiro, avanza a Xunta.Entre as primeiras propostas sobre a mesa pola banda gobernamental figura que o persoal médico formado en Galicia conte, tras finalizar o MIR, "cun contrato de un a tres anos", iniciativa que esta mércores reiterou no Parlamento o presidente da Xunta. Alberto Núñez Feijóo dixo tamén estar disposto a "pacta ras medidas que sexan necesarias para mellorar as axendas dos médicos en Atención Primaria, as súas substitucións, a súa estabilidade e as súas retribucións", se ben cargou tamén contra profesionais da área de Vigo por acollérense, ao seu xuízo, a excesivas baixas.O persoal lembra que "a análise das necesidades xa está feita", polo que "non é tempo de abrir grupos de traballo, senón de facer algo, xa"Pola banda do Consello Galego de Colexios Médicos valoran o ton da xuntanza con Vázquez Almuiña e aplauden as intencións declaradas, pero advirten de que boa parte da reflexión en grupos de traballo que agora comeza xa está feita. "A análise das necesidades de atención primaria xa está feita, non é tempo de abrir debates e grupos de traballo, senón facer algo xa", resumen dende o Colexio ourensán. Tamén a Sociedade Galega de Medicina Xeral e de Familia ve "perentorio tomar medidas urxentes" porque "cada mes demorado, é un problema incrementado" que deriva en situacións como as dos centros de Vigo. |
NOS_24227 | A CIG considera que fabricación de combustíbeis ten que ser superada mais, di, "non a costa de cadrarlle ás contas ás empresas mentres se destrúen miles de empregos e se deixan comarcas enteiras na desertización industrial". | A CIG anuncia un calendario de mobilizacións para esixir unha "transición enerxética galega xusta" no sector dos carburantes e biocarburantes e que garanta, no marco do proceso de descarbonización da economía, "a posta en marcha de alternativas de reindustrialización e creación de postos de traballo nos territorios afectados". A central nacionalista sinala nun comunicado que así dá continuidade á mobilización realizada o pasado 2 de xullo diante da Delegación do Goberno na Coruña, durante a que se rexistrou un escrito dirixido á ministra Teresa Ribera solicitando do MITECO que elabore un plan de actuación encamiñado a fixar as bases dunha transición xusta no sector, "sempre respectando as competencias autonómicas". Solicitude, informan desde a CIG, da que até agora non houbo resposta. A CIG entende que ese plan de actuación -que debe contar coa participación das centrais sindicais máis representativas e doutros axentes implicados- ten que contemplar medidas para a transformación das refinerías en biorefinerías; a transición cara aos biocombustíbeis de segunda xeración, con materias primas sostíbeis e buscando as sinerxías con outras industrias coa elaboración de subprodutos; e unha aposta polos biocombustíbeis como combustíbeis de transición na mobilidade até que se alcancen os obxectivos marcados para a mobilidade eléctrica. Xunto a isto, defende que non se conceda ningún tipo de fondos públicos, nin se outorgue autorización, concesión e adxudicación de MW a aquelas empresas do sector afectado, que non garantan a continuidade do emprego. A CIG lembra que o sector de carburantes e biocarburantes ten un importante peso en Galiza pero pode quedar fóra do cambio enerxético verde, pola inexistencia de políticas, tanto por parte do goberno español como da Xunta Este plan de transición ten que ser aprobado no prazo máximo de tres meses desde a aprobación da Lei de Cambio Climático para ser eficaz, incide o sindicato; e de modo paralelo ten que constituírse unha mesa de traballo na que abordar os cambios a acometer no sector de maneira que a reconversión non sexa unha demolición "e evitar repetir o que está acontecendo nas Pontes ou Meirama ou noutros sectores industrias do noso país, onde se impulsan cambios de modelo enerxético sen formular alternativas". A CIG lembra que o sector de carburantes e biocarburantes ten un importante peso en Galiza pero pode quedar fóra do cambio enerxético verde, pola inexistencia de políticas, tanto por parte do Goberno español como da Xunta. A CIG considera que fabricación de combustíbeis ten que ser superada mais, di, "non a costa de cadrarlle ás contas ás empresas mentres se destrúen miles de empregos e se deixan comarcas enteiras na desertización industrial" Concentracións · 26 de novembro, ás 14:45h, diante da refinería de Repsol na Coruña. · 2 de decembro, ás 14:45h, diante da planta de Vertex Bioenergy de Curtis. · 9 de decembro, ás 10:00h, na planta de Masol Iberia Biodiésel de Ferrol. |
NOS_13701 | Os maxistrados consideran necesario, dada a situación epidemiolóxica actual, exixir algún dos tres certificados Covid. | O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) autorizou novamente a Xunta a prorrogar até o vindeiro 7 de maio a obriga de presentar o certificado Covid de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para acceder a centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional. Para autorizar a medida, que ten como propósito "defender a saúde pública malograda pola pandemia", o tribunal afirma nun comunicado que tivo en conta os informes técnicos presentados polo Goberno galego. O TSXG prorroga até o 9 de abril a autorización para exixir o certificado Covid en hospitais e residencias Os maxistrados consideran necesario, dada a situación epidemiolóxica actual, exixir algún dos tres certificados Covid, "tanto para evitar a transmisión do virus como para contribuír a que a poboación máis resistente a vacinarse o faga". Ademais, subliñan que a medida é "necesaria, idónea e proporcionada" en relación "cos sacrificios" que se exixen para procurar a defensa da saúde pública. O uso do certificado Covid limítase ás visitas a hospitais e residencias No auto puntualízase que a autorización xudicial supón a prórroga de dous precedentes, xa autorizados por esta sala en sete ocasiones até distintas datas, "en todos os casos en razón á situación epidemiolóxica e ás propostas técnicas, que neste caso volve elevar a Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía no seu informe do 19 de abril, ao que se acompaña outro do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias que ofrece datos consolidados ás 10 horas do día 12 de abril". Uso de máscara No auto, o TSXG resalta que tamén se mantén a obrigatoriedade do uso de máscara nos centros, servizos e estabelecementos sanitarios, sociosanitarios e nas residencias de maiores, "ao ser os ámbitos onde pode haber unha maior concentración de persoas vulnerábeis, nas que o risco de enfermidade grave é maior, e onde a probabilidade de transmisión é máis alta". O persoal de enfermaría "non fará de policía" co Certificado Covid Segundo puntualiza o TSXG, contra a resolución cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo. |
NOS_15333 | Luis Villares denuncia os problemas en vilas e lugares para poder desprazarse, traballar ou conciliar obrigas laborais e familia | O portavoz de En Marea, Luis Villares, estivo este domingo en Trives e Manzaneda, cos candidatos das mareas locais en ambas as dúas localidades, Jorge Vázquez e Félix Domínguez; para defender o papel dos concellos á hora de activar o rural galego. Unha reivindicación da "implicación activa" dos municipios "para mellorar a calidade de vida da veciñanza e que compensen a falta de iniciativa da Xunta a ese respecto". En Marea denunciou o "fracasado Plan de transporte da Xunta" e as dificultades da poboación para desprazarse. O partido aposta por impulsar plans de carácter municipal e comarcal que posibiliten unha mobilidade que comunique as vilas coa cabeceira de comarca e os distintos lugares coa capital do Concello O portavoz tamén defendeu que a formación ía traballar para suplir a falta de prazas de garderías impulsando un servizo municipal para cativos de 0 a 3 anos. |
NOS_10703 | A presenza do sector público no negocio eléctrico é normal no espazo da UE. Mentres unha parte das forzas políticas rexeitan pór en marcha un operador público para rebaixar o prezo, no mercado galego xa traballan varias compañías con participación pública no seu capital. Iberdrola, Endesa ou EDP son só algúns exemplos. | A alza do prezo da luz está no centro do debate social e político. Nese contexto sitúase a proposta da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, de constituír unha empresa pública que opere no mercado eléctrico para rebaixar a factura da luz. A iniciativa, formulada desde hai anos desde as organizacións sociais e políticas do nacionalismo e da esquerda é rexeitada de cheo desde as formacións da dereita e desde unha parte do Goberno estatal. A responsábel da área económica do Executivo e deputada pola Coruña, Nadia Calviño, tense manifestado contra esa alternativa, por non considerala "eficaz" e por entender que "non é a formula axeitada neste momento". Nunha dirección semellante, tense expresado o deputado do PP por Lugo Jaime de Olano, quen cualifica a proposta de "disparate". Os operadores de propiedade pública levan décadas no sector eléctrico galego. Así, Iberdrola, presente no mercado de xeración e de comercialización da luz, ten como principais accionistas o fondo soberano do Estado de Catar, con 9,72% do capital, e o Goberno de Noruega, con 3,17% das participacións. A maiores, a compañía con sede social en Bilbo e sede fiscal en Madrid é o primeiro produtor de enerxía de orixe renovábel da Galiza, con 1.558 megawatts de hidráulica e 562,3 megawatts de eólica. Ao tempo, máis de 30% da poboación galega ten contratado o subministro da luz coa empresa presidida por Sánchez Galán, de cuxo consello de administración fan parte coñecidos políticos do PP. A italiana Endesa Endesa é outro actor importante na Galiza. A sociedade ten grandes intereses no país no sector da xeración, cunha potencia eólica instalada de 262 megawatts e cunha produción hidráulica de 375 megawatts, explotando até o seu fechamento a central térmica das Pontes. Ademais, conta con perto de 25% da cota de mercado na área da comercialización e cunha presenza moi significada en diversas comarcas. A compañía, privatizada no seu día por José María Aznar, ten a súa sede fiscal en Madrid pero é propiedade de Enel, empresa enerxética italiana de titularidade estatal. Energias de Portugal (EDP) opera de vello no negocio eléctrico galego. A compañía actúa no mercado de xeración coa súa propia marca, explotando activos no sector eólico e hidroeléctrico, algúns dos cales proceden de Hidrocantábrico e Viesgo. Mediante Barras Eléctricas Galaico-Asturianas (Begasa) actúa na esfera da distribución eléctrica e, tamén, da comercialización, significándose pola súa histórica presenza nalgunhas comarcas do interior. A sociedade, con sede fiscal en Oviedo ten como primeiro accionista, con 21,35% do capital, Three Georges Corporation, empresa pública chinesa que se fixo con EDP tras a súa privatización polo Goberno portugués, seguindo as directrices da troika. Iberdrola, Endesa e EDP son tres exemplos significativos de empresas cunha destacada participación pública no seu capital e con presenza relevante no mercado eléctrico galego. A esta listaxe pódese sumar a compañía Statkraft, a maior produtora de enerxía de orixe renovábel de Europa, propiedade do Goberno de Noruega, que acaba de presentar un proxecto para executar dous parques eólicos na Galiza cunha potencia instalada de 292 megawatts. Mesmamente, no ámbito do transporte da electricidade participa o Goberno español, primeiro accionista a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) de Red Eléctrica Española (REE) e Enagás. |
NOS_37371 | O presidente catalán mandou ao homólogo español unha carta na que formaliza a petición de consulta | O presidente da Generalitat de Catalunya, Artur Mas, xa remitiu a carta ao presidente español, Mariano Rajoy, na que lle comunica a necesidade de "abordar o diálogo e a negociación" que permitan realizar unha consulta ao pobo catalán "de maneira pactada". Un referendo a facer "no prazo máis breve que sexa posíbel" e cos "marcos legais que se fixen a tal efecto". O presidente catalán argumenta que se dan as "condicións favorábeis" para facer esa consulta á cidadanía. Sinala, así, que hai un amplo apoio cidadá á consulta, así como un apoio parlamentar, "vontade de diálogo e negociación, e existen vías legais para facela". Tomar exemplo doutros estados Ademais, Mas lembra a Rajoy que noutros países, "tamén da UE", atoparon vías e compromisos para "solucionar democraticamente e legalmente " esta situación e que por iso "España non debería ser unha excepción". |
Subsets and Splits
No saved queries yet
Save your SQL queries to embed, download, and access them later. Queries will appear here once saved.