ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
PRAZA_8473 | Os pisos que a entidade resultante da fusión das caixas galegas ten á venda na fachada mediterránea española son case os mesmos que os que oferta en Galicia | Non é pouco o que se leva escrito e analizado sobre as alegrías inmobiliarias das antigas caixas galegas nos tempos do boom da construción. A exposición ao ladrillo foi, non en van, un dos lastres de Caixa Galicia e Caixanova, así como da entidade resultante da súa fusión, Novacaixagalicia, e da actual Novagalicia Banco, ata o punto de que lle chegou a transferir 5.096,9 millóns de euros en activos inmobiliarios á Sareb, isto é, ao banco malo. As condicións impostas pola Unión Europea ao Estado español para o rescate bancario obrigan á entidades rescatadas a desfacérense do lastre inmobiliario nun curto treito temporal e niso anda Novagalicia a través da marca comercial Escoge Casa, a cal non só permite observar o importante volume de vivendas sen vender que ten o banco, senón tamén unha radiografía do que resultou ser outra das causas dos seus males: a expansión moito máis alá do territorio galego. Actualmente Novagalicia Banco oferta máis de 9.000 vivendas a través da súa firma inmobiliaria e, delas, menos de catro de cada dez están en Galicia. Nomeadamente, unha análise destas ofertas permite concluír que só o 38,5% dos pisos e casas están construídas nunha das catro provincias galegas, as cales suman un total de 3.561 edificacións das que se tenta desfacer o banco. O 61,5% restante atópase espallado ao longo e ancho do territorio do Estado, especialmente en Madrid, Barcelona e territorios especialmente propicios ao turismo de sol e praia, tales como o Levante ou as illas. O banco herdeiro das caixas galegas ten case tantas vivendas á venda na fachada mediterránea como en Galicia Nomeadamente, só na fachada mediterránea Novagalicia oferta case tantos pisos como en Galicia. Así, fronte ás máis de 3.500 casas e pisos na Coruña, Ourense e Pontevedra, nesta zona do Estado ten á venda 3.424 vivendas. A maioría delas están concentradas na Comunitat Valenciana e a Región de Murcia -dispón, por exemplo, de máis pisos en Castelló (638) que en Lugo (450)-, aínda que tamén dispón dun importante parque inmobiliario en Catalunya (576 ofertas). Máis cara ao sur, en Andalucía Novagalicia ten á venda 1.029 casas, a maior parte concentradas en Almería (480) e Málaga (298). En Madrid, outro dos puntos con maior abundancia de oferta, vende 622. A expansión inmobiliaria da entidade herdeira das malogradas caixas galegas internouse no Atlántico e chegou tamén a Canarias. Alí Novagalicia procura vender 379 vivendas, moitas máis das que ten, por exemplo, en Ourense (193) e tamén un número moito máis considerable das ofertadas en territorios máis próximos a Galicia, caso de Asturias, onde vende 180 pisos, ou en León, onde ten 83. Aínda que cunha menor variedade entre a que elixir, as persoas interesadas en mercarlle unha casa ao banco agora intervido en máis dun 97% polo FROB pode facelo en practicamente calquera provincia do Estado. Así, á marxe dos puntos máis turísticos e fóra de Madrid e Barcelona, é posible atopar pisos de Novagalicia dende Cantabria (113) a Albacete (122), ou dende Ávila (70) a Badajoz (6). Vivendas de Novagalicia Banco á venda A Coruña 1615 Pontevedra 1303 Castelló 638 Madrid 622 Murcia 495 Almería 480 Lugo 450 Alacant 385 Barcelona 374 Málaga 298 Valencia 285 Ciudad Real 204 Ourense 193 Asturias 180 Tenerife 144 Girona 124 Albacete 122 Cantabria 113 Valladolid 110 La Rioja 108 Fuerteventura 107 Sevilla 92 Bizkaia 91 Cádiz 89 León 83 Ávila 70 Tarragona 68 Toledo 65 Gran Canaria 64 La Palma 62 Zaragoza 51 Granada 31 Huesca 30 Navarra 30 Córdoba 22 Mallorca 14 Jaén 12 Guadalajara 10 Lleida 10 Badajoz 6 Huelva 5 Cáceres 3 Cuenca 3 Lanzarote 2 Menorca 2 Palencia 2 Salamanca 2 Segovia 2 Soria 2 Araba 1 Burgos 1 Gipuzkoa 1 Teruel 1 GALICIA 38,5% RESTO DO ESTADO 61,5% |
NOS_48590 | José Luís Méndez dirixe unha carta á reitoría para comunicar que rexeita a distinción honorífica que a institución académica lle concedera en 2002 | Igual que fixera co título de fillo predilecto do Concello da Coruña, o que foi director de Caixa Galicia, José Luís Méndez, vén de renunciar tamén por si propio ao Honoris Causa que lle concedera a UdC en 2002, nun acto presidido por Fraga en que se destacou o "relevante papel" que tivo á fronte da entidade bancaria con sede na cidade herculina. A retirada desta distinción honorífica reclamouna perante o consello de goberno en outubro de 2012 a organización estudantil Comités. A súa responsábel no campus coruñés, Ana Barxa, considerou daquela que, dez anos despois, "á a vista do acontecido no ámbito financeiro fica claro que esta persoa representa absolutamente o contrario do que supón este recoñecemento". Acrecentou a estudante que "é un recoñecemento da universidade a aquelas persoas que destacan polas súas acehgas ao desenvolvemento científico, cultural, económico e social do noso País", unhas condicións que no caso de Méndez os Comités consideran que non se cumpren. Por isto iniciaron unha campaña de denuncia pública que culminou cando a UdC aceptou a retirada do título honorífico no vindeiro claustro, previsto para finais deste mes. Porén, Méndez seguiu o mesmo procedemento que cando o Concello da Coruña decidiu retirarlle as honras. Redactou un poder en que autoriza o seu fillo a entregar no seu nome unha carta dirixida ao reitor da UdC, Xosé Luís Armesto, en que lle translada a súa renuncia "con efecto inmediato" ao Honoris Causa. |
PRAZA_7128 | A pesares do dramatismo social da desigualdade, o relato da saída do capitalismo non interesa, e queda obstruído polo construción dun relato crible sobre a fin da crise, un relato que destaca sobre todo polo que oculta e deixa á vista a súa propia falsidade | Hai pouco celebrouse un Lugo un interesante coloquio de tres días sobre Ética e capitalismo, organizado polo grupo DOXA. Xa de principio se puxeron sobre a mesa as contradicións entre eses dous termos que aconsellarían poñer unha "ou" excluínte, e non unha "e", entre eles. Faise desde logo moi difícil soster o carácter ético da explotación do home polo home e do espolio organizado da terra; a ética do poder, do interese e da razón só instrumental, tan difícil como ese intento inxenuo, senón interesado, de moralizar o capitalismo. Faise desde logo moi difícil soster o carácter ético da explotación do home polo home e do espolio organizado da terra Porén, constatouse tamén que esa dificultade non lle debe restar valor a todas as experiencias emerxentes de economía alternativa, que tratan de someter a actividade produtiva e mesmo lucrativa a fins éticos. A antropóloga Paz Moreno aportou ao debate a idea dunha "economía moral" que practicaban as sociedades pre-capitalistas, e que neste tempo recollen iniciativas como os movementos cooperativistas, a banca ética, o uso de moedas alternativas, o crowdfunding e en xeral as cada vez máis numerosas redes de economía alternativa, experiencias que transmiten algo de luz nun mundo dominado polo máis desprexuizado mercantilismo. Hai aí un debate que ten xa a súa historia, que ten que ver coas posibilidades de cambiar o sistema, desde dentro ou desde fora, fuxindo do radio de acción das estruturas de poder ou creando espazos alternativos dentro delas, que despois vaian medrando. Algo parecido plantexaba Marx fronte aos que despectivamente chamaba "socialistas utópicos", que fuxindo do sistema ou creando dentro del illas de felicidade non conseguían alterar as estruturas da explotación; e fronte a iso facía falla, segundo Marx, unha transformación desde dentro que fose radical e revolucionaria. O fondo dese debate sigue vivo, e as perspectivas de transformación do sistema pasan por calibrar as relacións tensas e problemáticas entre ética e capitalismo O fondo dese debate sigue vivo, e as perspectivas de transformación do sistema pasan por calibrar as relacións tensas e problemáticas entre ética e capitalismo. Trátase do debate sobre a posibilidade da utopía, que require valorar con amplitude e minuciosidade os efectos políticos do pensamento utópico en xeral, valoración que non se pode facer con trazo groso porque está chea de luces e sombras, oscilando entre a proposta de modelos ideais que poden ter un uso regulativo (no sentido kantiano), e a súa conversión en modelos pechados ou dogmáticos, que pretenderían facer un uso constitutivo do ideal (seguindo os termos de Kant). Os modelos utópicos poderían devir entón en planificacións totalitarias que non retroceden diante de ningunha continxencia, e como tantas outra veces o individuo veríase inmolado nos altares da historia. No Foro de Lugo constatamos que a ética é necesaria para a vida pública das sociedades avanzadas –que sen ela non son posibles o comercio, a confianza no cumprimento dos contratos e pactos, a propia actividade económica incluídas as transaccións financeiras. Sen unha ética cívica a economía vólvese imposible, e o benestar colectivo unha ficción. Triunfan a especulación, a corrupción e a mentira. No Foro de Lugo constatamos que a ética é necesaria para a vida pública das sociedades avanzadas Tal é o estado de cousas propio do sistema de manipulación económica do real chamado "capitalismo financeiro", no que asistimos a unha ruína moral moi similar á que describe Thomas Wolfe nos anos do crack, en Boom Town (aquí traducida como Especulación), "desbaldindo as ganancias de toda unha vida para hipotecar as da xeración vindeira". Na actual Gran Recesión tamén vivimos situacións de engano masivo, coma o deses estudos que fan as louvanzas éticas do capitalismo, e a continuación recomendan baixar salarios, recortar pensións ou introducir pagos polo uso da sanidade ou a educación públicas. Xérase unha indignación de gran potencial conflitivo, como comentaron no foro lucense o filósofo César Rendueles e o economista Xosé Luis Outes, un estado de ánimo do que da conta a gran afluencia e interese do público que acudiu ao foro lucense (un signo alentador: na xente hai gañas de escoitar discursos alternativos). A pesares do dramatismo social da desigualdade, o relato da saída do capitalismo non interesa, e queda obstruído polo construción dun relato crible sobre a fin da crise, un relato que destaca sobre todo polo que oculta e deixa á vista a súa propia falsidade Pero a pesares do dramatismo social da desigualdade, o relato da saída do capitalismo non interesa, e queda obstruído polo construción dun relato crible sobre a fin da crise, un relato que destaca sobre todo polo que oculta e deixa á vista a súa propia falsidade. A saída da crise está edificada sobre a negación da realidade, e de aí a constante non asunción de responsabilidades e a ausencia de catarse moral. Que leccións da crise? Soa sarcástico pensar que a crise era unha oportunidade de cambio e, se atendemos á política oficial, parece que as únicas leccións da crise son as que aínda non demos aprendido. A historia é un cúmulo de sorpresas que non nos é dado pensar en termos de redención nin salvación nin xuízo final. O reto é reorientar o sistema económico e poñelo ao servizo da sociedade. E para iso hai que reconquistar espazos fóra da lóxica mercantil, actuar no local, aglutinar vontades, reconstruír o común. Non debemos pensar que a economía xa o ten todo invadido nin que só dentro do capitalismo se pode articular a produción material da vida. A historia é un cúmulo de sorpresas que non nos é dado pensar en termos de redención nin salvación nin xuízo final. O reto é reorientar o sistema económico e poñelo ao servizo da sociedade As variables históricas son imprevisibles e complexas, hai un azar da liberdade. Xa Max Weber falou da importancia material das ideas éticas e dos seus efectos económicos, e non é tampouco de agora que se pode acreditar o carácter autodestrutivo do mercado deixado a si mesmo, a ilusión de que se autoregule. Nos anos 30 Karl Polanyi dicía que nun sistema de mercado xeneralizado "non está permitido ser bos aos seres humanos, independentemente do seu desexo de selo". Algúns dos autores que continúan ese pensamento alternativo, como Amartya Sen, Walden Bello ou Boaventura de Sousa, constatan hoxe o fracaso humano das receitas neoliberais e propoñen estratexias concretas para opoñerse á deslocalización produtiva, á precariedade laboral, ao aumento das desigualdades e ao empobrecemento progresivo das poboacións, que son as perspectivas que o presente está a ofrecer. Vías por explorar para saír dun modelo económico produtivista a ultranza, un proceso de expansión capitalista do que xa vemos os límites: por fóra a finitude do ecosistema da Terra, e por dentro a dignidade ética dos seres humanos. Saír do capitalismo é volver entrar na nosa condición histórica de seres finitos e valiosos, e no respecto da (propia) natureza Saír do capitalismo é volver entrar na nosa condición histórica de seres finitos e valiosos, e no respecto da (propia) natureza. O nome de que quede despois do capitalismo aínda non se sabe, pero si que ten que conter o máis elemental significado do humano. |
NOS_34402 | A Fegamp pide á Xunta compromisos económicos e organizativos. | As dúbidas sobre as garantías democráticas e de seguridade sanitaria da organización da xornada electoral do 12 de xullo esténdense ás Administracións locais. Esta semana, son os alcaldes e alcaldesas, a través da Fegamp (a Federación galega de municipios e provincias), quen poñen en cuestión o borrador do protocolo da Xunta para a preparación das eleccións galegas, polos baleiros que deixa tanto en cuestións organizativas como económicas, en vista das medidas extraordinarias que deberán articularse por mor da crise sanitaria na que ten lugar a cita coas urnas. "O protocolo deixa moitas cuestións no aire", advertía a pasada terza feira o presidente da Fegamp, Alberto Varela, após unha xuntanza con dirixentes das sete cidades e das catro deputacións galegas. Nesas "cuestións" incluía aspectos como os métodos de control de capacidade dos colexios electorais, onde tamén será necesario controlar que as persoas votantes cumpran cos circuítos estabelecidos para evitar aglomeracións e asegurar a opción de exercer o voto en segredo malia a prohibición de que se instalen cabinas con cortinas, e tamén aos sobrecustos pola organización durante a pandemia. O voto por correo As incertezas formuladas polas Administracións locais súmanse ás propostas polo persoal de Correos, perante a decisión da Xunta Electoral Central de outorgar a este colectivo profesional a capacidade de recoller nos domicilios os votos das persoas que elixan exercer desde a casa este dereito e "dar fe" desa recepción, como medida extraordinaria pola excepcionalidade que o coronavirus engade a esta convocatoria electoral. Despois de reunirse esta semana coa representación do seu cadro de persoal, Correos comprometeuse a elaborar un protocolo para "dar garantías" ao voto que se solicite por correo e que se tramite a través das e dos carteiros nos domicilios, "a fin de que o sufraxio teña as máximas garantías e non se poida manipular". As feblezas deste sistema puxéronas sobre a mesa as organizacións sindicais, que de forma unánime reclaman un reforzo masivo do persoal do servizo postal, perante a sobrecarga e mesmo o "colapso" que pode traer estas novas competencias e polo aumento da petición deste modo de sufraxio como mecanismo de prevención ao contaxio. Na Galiza, o voto por correo practicamente duplicouse xa entre 2015 e 2019, ao pasar de 37.974 a 62.418. Tras coñecer a decisión da Xunta Electoral, sindicatos como a CIG advirten da falta de persoal para desenvolver con garantías este proceso de voto, mentres que a CXT alerta das "grandes eivas de seguridade" da nova modalidade de votación. Tamén o BNG alerta da posibilidade dunha "fraude electoral" no voto por correo, autorizado como mecanismo "excepcional", pero que, aos seus ollos, se está a propor por parte do Goberno galego "de forma expansiva, utilizando os traballadores do servizo postal sen que existan as debidas garantías democráticas |
NOS_11140 | Méndez Romeu evidencia a táctica da súa formación ao sinalar aos supostos "defectos de forma" no caso xudicial no que están involucrados, entre outros cargos socialistas, os alcaldes de Lugo e Ourense. | O portavoz parlamentar do PSOE galego, José Luís Méndez Romeu, considerou que existen "evidencias" de que "polo menos" parte da instrución da Operación Pokémon "podería estar incorrendo en defectos de forma que poderían ter consecuencias procesuais", deixando así claro que a súa formación buscará recunchos legais polos que fuxir das responsabilidades políticas que afectan a moitos cargos seus, entre eles os alcaldes de Lugo e Ourense. O voceiro parlamentar do PSOE reduce a "problemas persoais de Carlos Príncipe" as denuncias de posíbeis irregularidades no concello de Vigo Nunha entrevista concedida a Radio Nacional de España (RNE), o dirixente socialista manifestou que "dous anos despois do inicio" desta investigación que afecta a varios municipios galegos "parece que non hai un rumbo claro" e que "hai demasiados fíos colaterais abertos". Con todo, preguntado sobre a petición da xuíza que instrúe o proceso, Pilar de Lara, das contas do PSdeG de Santiago, A Coruña e Ribeira para investigar si se deron pagos da empresa Vendex a políticos a cambio de favores, Méndez Romeu asegurou que o Partido Socialista "está a disposición da xuíza para achegar canta información necesite". Ademais, o portavoz socialista negou calquera problema no concello de Vigo, onde xa hai un socialista imputado e denuncias de posibles irregularidades por parte do Goberno de Abel Caballero, e limitou esas informacións a "un problema persoal" do ex-alcalde Carlos Príncipe co actual rexedor. |
NOS_14718 | Nueva Canarias apoiará os orzamentos xerais do estado a cambio dunha serie de compromisos e investimentos para as illas. | Mariano Rajoy xa ten o deputado que lle faltaba, o 176, e asegura así o apoio de parlamentares necesarios para sacar adiante os orzamentos xerais do estado. A executiva de Nueva Canarias deu esta fin de semana o visto bo ao pacto acadado cos populares e que se traduce en que até final de ano actuacións e medidas por valor de máis de 200 millóns de euros se van aplicar nas illas. Por exemplo, elevar a bonificación ao transporte de pasaxeiros entre illas até 75% e até 100% en mercancías. O acordo tamén inclúe unha partida de 21 millóns de euros para emprego, outra de 12 millóns para políticas sociais e investimentos de 44 millóns de euros na rede viaria. O PP, pois, ten o apoio dos seus 137 deputados, aos que se engaden os 32 de Ciudadanos, os 5 do PNV e, agora, o de Nueva Canarias. |
PRAZA_12310 | A cultura galega leva décadas sufrindo de hipertensión arterial e hoxe a súa realidade segue a ser mórbida. E se non hai solución para este complexo logaritmo non é tanto porque esteamos a pasar unha crise descomunal como pola utilización interesada que os cargos públicos fan da situación. A cultura sempre é a primeira flaxelada e, de xeito descarado, sofre castigo conscientemente. Pretenden crear unha cultura residual e convencernos de que é mercadoría de luxo cando ten que ser unha necesidade, igual que o saudable e o educativo. | Eu vin a Roberto Varela en camiseta. Por Cans, no Festival. Suando canda aos mortais subvencionables e dándolle lume a quen llo pedía, o conselleiro deconstruído era un progre máis. A vida esaxerada de Roberto Varela. Se o Martín Romaña de Echenique participou no maio do 68 por inercia, o exconselleiro sabía aplicarse con precisión ás atmosferas titiriteiras. Os responsables de cultura do PP teñen a misión política de gañarse aos culturetas da esquerda porque son, ao fin, os que moven a meirande porcentaxe das iniciativas neste eido. Varela subíase a bordo do seu ritmo aínda que ás veces se sentira coma o capitán do Costa Concordia. A súa herdanza política é un naufraxio; a súa actividade un holograma. Era, en fin, un tipo mainstream; non finou, fixérono embaixador en Uruguai. Agora a entelequia está en mans de Jesús Vázquez e Anxo Lorenzo. O primeiro é menos visible Agora a entelequia está en mans de Jesús Vázquez e Anxo Lorenzo. O primeiro é menos visible. Cando os mestres anuncian nas aulas que Jesús Vázquez visitará o colexio, as ANPAS axudan os seus fillos a decorar cartulinas nas que se le I love Pekín-Express. Anxo Lorenzo, en troques, si potencia a súa proximidade soltando a graxa dos días oficiais a través de estados de Facebook. Actualízase sabendo que a cultura retuiteada non se forxa no seu despacho, pero aí está, ao noso carón, chío a chío. Incluso déixase entrevistar por Jordi Évole para provocar que #270millonesnoestanto se converta no hastag común da vergoña vernácula. "Aínda así é bó rapaz", asegurou a audiencia saqueada e tumbada no sofá do primetime. Quen precisa dos políticos para irse de gintonics? Para iso xa están os seres humanos que algúns levan debaixo do traxe. Para que compartir con eles os excesos se, ao final, a resaca é de recortes e arcadas de incerteza? Se hoxe un secretario xeral, un conselleiro ou mesmo un presidente da Xunta, quixeran convencer a todo o sector cultural galego de que son cargos sexis, terían que subminístralle quinina en vea por centos de miles de barras de bar. Ás veces drogado báilase con calquera experimento. Non existen os anxos pero tampouco os políticos-poetas. Os dous conceptos entran en guerra fría. A cultura galega leva décadas sufrindo de hipertensión arterial e hoxe a súa realidade segue a ser mórbida A cultura galega leva décadas sufrindo de hipertensión arterial e hoxe a súa realidade segue a ser mórbida. E se non hai solución para este complexo logaritmo non é tanto porque esteamos a pasar unha crise descomunal como pola utilización interesada que os cargos públicos fan da situación. A cultura sempre é a primeira flaxelada e, de xeito descarado, sofre castigo conscientemente. Pretenden crear unha cultura residual e convencernos de que é mercadoría de luxo cando ten que ser unha necesidade, igual que o saudable e o educativo. Todo o sector cultural –todo- séntese desituado. E cando protesta canso da anemia, os que distribúen os cartos deixan caer a escusa interesada de que o fan por unha cuestión ideolóxica Todo o sector cultural –todo- séntese desituado. E cando protesta canso da anemia, os que distribúen os cartos deixan caer a escusa interesada de que o fan por unha cuestión ideolóxica. E punto. A obscenidade multiplícase igual que os perigosos "programas culturais austeros pero de calidade". En fin, quizais a única solución sexa o optimismo e procurar rexurdimentos co inxenio porque o que está claro é que non existen os políticos enrollados e suburbiais que pensen igual ca ti. Ninguén está a salvo dos administradores dos cartos. Nin Luis del Olmo, polo visto. Nin sequera Roberto Varela, diplomático en camiseta pero xa no Cono Sur. |
NOS_14013 | A candidata nº2 por Ourense na coligación AGE valorou desta maneira as palabras da coordenadora xeral de EU en que advertía de que "o que Carmiña vai vivir no Parlamento vai ser moi duro". | De "ameazas" e de "lamentábeis" cualificou Carmen Iglesias Sueiro, nº2 de AGE por Ourense, as declaracións da coordenadora xeral de EU, Yolanda Díaz, realizadas durante unha entrevista na radio pública española. Dixo Díaz que "o que Carmiña vai vivir no Parlamento vai ser moi duro" e que gostaría de que a súa compañeira de militancia "recapacitase" a respeito da decisión de non entregar a acta de deputada no Parlamento galego. "Eu son unha muller moi terca, no persoal e no político", enfatizou a dirixente de EU, para concluír que "nin á persoa con quen peor relación tivese lle desexo o que vai vivir". A respeito desa entrevista, realizada por RNE-Galiza, pronunciouse en conversa con Sermos Galiza Carmen Iglesias: "as declaracións de Yolanda Díaz, esas ameaza, parécenme lamentábeis. Só iso". A nº2 de AGE por Ourense foi suspendida de militancia en EU de maneira temporal. Calviño, desde Dinamarca: "O que vivín co escano é de prensa rosa" Da lea polo escano na Cámara galega falou tamén o deputado David Fernández Calviño (Anova), que deixará a súa acta a finais deste mes. Desde Copenhague, onde xa está incorporado ao seu grupo de investigación, sinalou que todo o asunto lle parecía "un programa de imprensa rosa". Calviño, cuxa saída do Parlamento deixa Anova unicamente con tres representantes na coligación AGE, falou para o portal de ciencia galega GCiencia, que vén de encetar a súa andaina. Cualificou de "absurda" unha situación en que "os problemas do País dependían de se eu estaba unha semana ou dúas". Con todo, concluíu sinalando que "é o que hai". |
PRAZA_17704 | AXENDA | A axenda política do 25 de xullo volve ter Santiago como epicentro, aínda que tamén inclúe actos noutras localidades como Rianxo, Mugardos ou Sarria | O 26 de xullo de 2016 o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amosou a súa contrariedade con todas as forzas políticas diferentes da súa. A razón era que todas elas organizaran actos políticos o 25 de xullo, dende a habitual manifestación do BNG no centro de Santiago ata a tradicional ofrenda do PSdeG a Castelao, pasando aquel ano pola intervención de Xosé Manuel Beiras no nome de Anova ou as celebracións de Compromiso por Galicia, entre outras. Aquel ano o PP optara por organizar un acto de seu tres días antes en Padrón. No ano 2017 os populares trasladaron a súa celebración ao 21 de xullo en Vilalba, onde homenaxearan a Manuel Fraga en torno ao busto que o lembraba como ministro da Gobernación, aproveitando tamén para atribuír ansia de "confrontación" ao resto de organización. Neste 2018 o PPdeG xa non celebra acto ningún ligado ao Día Nacional de Galicia. A explicación ofrecida polo partido é que a asistencia, o pasado día 23, ao funeral na memoria do ex-presidente Gerardo Fernández Albor na Catedral de Santiago, promovido pola Xunta, xa é en si mesma unha homenaxe "galeguista". A axenda política do 25 de xullo volve ter Santiago como epicentro, aínda que tamén inclúe actos noutras localidades como Rianxo, Mugardos ou Sarria Sexa como for, todas as forzas políticas agás os populares si celebran o Día Nacional. O Bloque regresa ás rúas compostelás no 50º aniversario da primeira ocasión en que o nacionalismo galego apostou por conmemorar o Día da Patria en clave mobilizadora. O PSdeG acude a Rianxo tendo por primeira vez un 25 de xullo á fronte a Gonzalo Caballero, quen estará acompañado ante o busto de Castelao polo ex-presidente Emilio Pérez Touriño. En Marea, pola súa banda, volve elixir o parque compostelán de Vista Alegre para os seus actos do 25 de xullo, se ben algunhas das forzas que a impulsaron volven convocar actos de seu; é o caso de Anova -tamén en Compostela- ou de EU e Podemos, que acuden a Mugardos e Sarria. Tamén outras organizacións como Compromiso por Galicia ou a independentista Causa Galiza teñen citas políticas nesta xornada. Velaquí o mapa coa axenda política do Día Nacional. |
PRAZA_11497 | Sanidade presenta un documento de expertos mentres 200 profesionais traballan no Consello Técnico e logo de que Feijóo impulsase outro plan meses antes. Os profesionais piden medidas e ameazan con mobilizacións. | Tres documentos, tres plans para mellorar a Atención Primaria pero ningunha medida implantada ou decidida aínda. No último ano e medio, Feijóo proclamou a sanidade pública galega como a mellor do mundo e mesmo "a mellor da historia", tal e como asegurou hai medio ano nun congreso de hospitais ou hai só unhas semanas no Parlamento. No medio das masivas protestas de persoal de Urxencias, dos PAC, de enfermería ou médico, o presidente da Xunta gabou o funcionamento do sistema ao tempo que presentaba medidas para mellorar a Atención Primaria, o lugar onde se concentran as demandas e as queixas. Varios e variados. A Xunta presentou un documento de expertos mentres 200 profesionais traballan no Consello Técnico e tras a presentación do Plan Galego para a Atención PrimariaO último chegou o pasado 13 de novembro, cando a Consellería de Sanidade presentou un documento titulado Por unha Atención Primaria vertebradora do sistema de saúde. Impulsado polos colexios médicos e algunhas sociedades científicas, o informe foi elaborado por 16 expertos liderados polo vasco Rafael Bengoa e o catalán Jordi Varela, con consultorías privadas noutros puntos do Estado. O documento expón o diagnóstico sabido da saturación das axendas, a falta de tempo e remuda xeracional, a ausencia dun modelo propio, os problemas de organización ou a falta dun traballo máis multidisciplinar. Ao tempo, apela por dar máis competencia ás xefaturas dos centros de saúde, apostar por un modelo de saúde comunitario con máis implicación dos doentes, ampliacións dos grupos de traballo máis aló de médicos e enfermería, unha maior vertebración ou a elaboración de plans locais segundo as necesidades de cada zona, con maior atención á prescrición social, de servizos non sanitarios. Malia no ser vinculante, tal e como recoñeceu o Sergas ás consultas de varios profesionais, o informe foi presentado oficialmente nun acto presidido polo conselleiro Jesús Vázquez Almuíña. Fíxose mentres, paralelamente, máis de 200 persoas dos diferentes estamentos da Atención Primaria seguen traballando, como desde hai sete meses, no Consello Técnico, a través de 15 comisións técnicas creadas logo de que sindicatos e comité de folga esixisen este novo modelo de negociación para suspender a folga convocada. A presentación e difusión destas recomendacións de expertos non foi moi ben recibida por moitos dos profesionais que participan nas comisións técnicas, que admiten a importancia de calquera achega pero que non acaban de entender a actitude da Xunta. "Levamos vinte anos de diagnósticos, pero hai que facer o tratamento xa", explica un dos profesionais que participa nas devanditas comisións, ás que acoden "sen remuneración e fóra do horario de traballo". A publicación do informe de expertos creou malestar entre moitos dos profesionais que participan desde hai medio ano nas comisións técnicasAdemais, tanto a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) como SOS Sanidade Pública amosaron o seu malestar ao ter coñecemento dun documento do que non coñecían nin o nome dos seus impulsores e á marxe dos labores que se levan a cabo no Consello Técnico. Porque aos traballos que se desenvolven nesas comisións técnicas e ao documento presentado polos expertos únese tamén o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, dotado con máis de 102 millóns de euros e que Feijóo presentou en plena campaña das eleccións municipais e europeas do pasado maio. "Temos comisións, temos un plan e agora aparece un documento de expertos, pero nos centros de saúde hai moitos médicos que seguen a atender 40 pacientes diarios, os problemas nos PAC continúan, as enfermeiras seguen mobilizadas e a precaria de moitos profesionais non se detén", insisten as mesmas fontes, cansas de proxectos que non dan ido á cerna do problema. "Precisamos investimentos; cartos e persoal", resumen. Malia levar xa cinco anos á alza, o orzamento do Sergas para Atención Primaria segue 142 millóns por baixo do que dedicaba o goberno bipartito. "Temos comisións, temos un plan e agora un documento de expertos, pero nos centros de saúde hai moitos médicos que seguen a atender 40 pacientes diarios"Xa que logo, e ante a grave problemática pola que pasa a Atención Primaria en Galicia, a Xunta presenta tres propostas distintas: o Consello Técnico, o Plan Galego e este último documento de expertos. Ante esta situación, o BNG presentou xa unha iniciativa na que pide que se apliquen as cinco medidas fundamentais que levan meses defendendo e asociacións pola sanidade pública, entre as que se atopan a achega dun 25% do orzamento sanitario para este ámbito, unha estrutura de xestión propia, pazas suficientes para os centros de saúde, mellor ordenación dos recursos e a incorporación de novas categorías e equipos multidisciplinares. O vindeiro 4 de decembro nunha nova xuntanza, e logo de que o Consello Técnico remate os traballos principais e achegue as súas demandas, as organizacións e profesionais que participan nel analizarán o documento que se comprometeu a presentar a Consellería de Sanidade. Será aí cando sindicatos, entidades e persoal consideren se o Sergas atendeu as súas demandas, apostou máis polas dos expertos consultados ou non fixo moito caso de ningunha. De non satisfacer as súas reivindicacións, advirten xa de futuras mobilizacións que poden ser "permanentes" no caso de non alcanzarse un consenso. Profesionais e asociacións pola sanidade pública agardan ao documento que o Sergas lles presente o 4 de decembro para decidir se activan as mobilizaciónsAntes, os días 27 e 28 de novembro, a Asemblea de Áreas Sanitarias (AAS) mantén a convocatoria dunha folga na Atención Primaria de Galicia á que instan a unirse a médicos de familia e pediatras. A AAS xustifica o paro no "gran malestar entre os profesionais sanitarios dos centros de saúde pola deterioración das condicións do traballo asistencial", algo que relacionan coa "mala xestión, a carencia de recursos e a falta de decisión da actual Administración de poñer en práctica as recomendacións internacionais sobre o papel da Atención Primaria no sistema sanitario". |
NOS_5415 | A formación do primeiro ministro, Mark Rutte, é o máis votado embora perder 9 escanos. A outra pata da 'gran coligazón, os socialdemócratas, caen 29 deputados e fican con 9. O maior medre, a Esquerda Verde, con 14 parlamentares. | Unha participación histórica, o 82%, contivo a dereita extrema holandesa, cuxos resultados ficaron moi por baixo do que eles propios agardaban e que lle vaticinaban enquisas e sondaxes. O Partido Popular pola democracia e a liberdade, que así se chama a plataforma que lidera Geert Wilders, obtivo 20 escanos, catro máis que na cita anterior mais moi lonxe da formación máis votada, os liberais de centro dereita do primeiro ministro Mark Rutte, VDD, que logrou 33 deputados. Mais o VDD tamén pagou a factura do seu goberno destes anos, perdendo 9 escanos a respecto das anteriores eleccións. Ora ben, os principais damnificados foron os socialdemócratas, que gobernaron en coligazón cos liberais de dereita. O Partido Traballista (Pvda) obtivo 9 escanos, perdendo 29. Lodewijk Asscher, líder da formación, non puido evitar as bágoas na súa comparecencia ante os medios, se ben dixo que seguiría á fronte da formación. O terceiro posto nos comicios holandeses foi para os democriustianos do CDA, que lograron 19 dos 150 deputados que ten o Parlamento, seguidos dos liberais de esquerdas de D66, con 18. En quinto lugar figura unha das sorpresas da noite, a Esquerda Verde, que pasou de 4 a 14 deputados. O Partido Socialista atinxiu 14 parlamentares, perdendo só 1 a respecto da anterior cita coas urnas. Un total de 13 formacións van ter representación no novo Parlamento, entre elas novidades como o Partido dos Animais ou Denk. Esa pluralidade obriga a contactos e coligazóns para ter un goberno estábel. Xa non abonda só cun pacto entre centro dereita do VDD e traballistas, que hai catro anos representaban 80 escanos (a maioría aestá en 76). |
PRAZA_10363 | Tras o rexeitamento da proposta de Candedo, Villares sinalou a posibilidade de que o escollido como opción de "consenso" fose o actual deputado Manuel Lago, que desbotou esta posibilidade mentres o sector crítico apostaba por Sande. Tras a derrota nas xerais agroman moitos nomes para cubrir os postos do PP, unhas complexas asignacións que fican nun segundo plano político e mediático por mor do conflito de En Marea | Unha vez celebradas as eleccións xerais o Parlamento ten que elixir tres membros do Senado, como marca o Estatuto de Autonomía. O reparto proporcional destes postos dá como resultado que dous deles sexan para o PP, con maioría absoluta no lexislativo galego, e o terceiro para o segundo grupo da Cámara galega, na actualidade En Marea. Nos primeiros días de xuño os populares deron en adiar esta elección ata finais de mes. Con este atraso contribúen a prolongar o enfrontamento aberto no que esta elección derivou no seo do grupo de En Marea. Tamén a tentar reconducir as tensións soterradas nas propias filas populares, que o choque interno de En Marea está contribuíndo a relegar nun segundo plano político e mediático.Coa sombra da ruptura de anteriores problemas internos e da ruptura do grupo como pano de fondo, a dirección de En Marea como partido puxo sobre a mesa un nome como posible senadora, o da profesora Mariló Candedo. A dirección que encabeza Luís Villares considerouna como a máis adecuada porque, nas primarias celebradas para configurar as candidaturas do 28A, fora a aspirante á Cámara Alta máis apoiada. Pero o sector crítico -membros de Podemos, EU e Anova-, maioritario no grupo parlamentario, rexeitou esta proposta.Tras o rexeitamento da proposta de Candedo, Villares sinalou a posibilidade de que o escollido como opción de "consenso" fose o actual deputado Manuel Lago, que desbotou esta posibilidadeTras este rexeitamento, esta semana Villares realizou unha segunda oferta "para desbloquear a situación xerada". O senador por designación autonómica que corresponde a En Marea podería ser Manuel Lago, actual deputado de En Marea e con ligazóns en Esquerda Unida e na contorna de Unidas Podemos. Esta, considerou Villares, sería unha boa opción "de consenso". Pero o propio Lago desbotou o nomeamento e, ao tempo, o sector crítico apostou por someter a votación a súa proposta, José Manuel Sande, quen este sábado deixará de ser concelleiro de Culturas da Coruña pola Marea Atlántica.Esa votación celebrouse por vía "telemática" e nela participaron nove dos 10 membros do grupo parlamentario, con oito votos a prol de Sande, un para Candedo e unha abstención. Mentres, os integrantes do grupo afíns a Villares non participaron. A través dun comunicado a dirección de En Marea explicou que "non acepta a votación do grupo parlamentario" por considerala "unha imposición de Podemos" que "non garda nin as normas de En Marea nin é nome de consenso". "Catro dos deputados decidiron non participar na votación para expresar o seu desacordo cun procedemento que non consideran válido para a toma dunha decisión que corresponde ao ámbito político de En Marea", agregan.O sector crítico sinalau a José Manuel Sande como elixido nunha votación que a dirección de En Marea "non acepta" por considerala "unha imposición de Podemos"Nesta liña, dende a coordinadora de En Marea atribúen a Unidas Podemos unha vontade de "forzar a votación para impoñer a súa solución" sen ter en conta que o calendario "marcado" polo PP ampliou os prazos ata fin de mes ou mesmo ata o mes de xullo, abrindo marxe para "negociar un nome válido para todas as partes". Esta "deriva verticalista de Podemos de non escoitar a todas as partes que forman parte de En Marea só poden producir distanciamento", censuran, nun contexto no que medran as posibilidades de ruptura no grupo, que ten aínda pendente a anunciada "reflexión" sobre a portavocía. Unha eventual ruptura convertería a En Marea na terceira forza da Cámara e o seu posto no Senado pasaría a ser do PSdeG. O movemento final sobre a elección da representación no Senado corresponde, así e todo, ao propio Villares, toda vez que é ao voceiro a quen corresponde rexistrar o nome que propón o grupo.De fondo, o PPTras a derrota nas xerais agroman moitos nomes para cubrir os postos do PP, unhas complexas asignacións que fican nun segundo plano político e mediático por mor do conflito de En MareaO propio PP admite ás claras que a situación interna de En Marea foi clave na súa decisión de atrasar a elección da representación galega no Senado. Se ben isto é certo, non o é menos que o enfrontamento pola banda esquerda permite aos de Feijóo contar cunha marxe extra de manobra para unhas designacións que, no seu caso, non están exentas de complexidade, pero que están a xerar un ruído exterior moito menor.Ata agora os dous postos cos que contan os populares estaban ocupados por Juan Manuel Jiménez Morán, ex-alcalde de Verín, e por Fernando Carlos Rodríguez, que fora alcalde de Bóveda. No entanto, tras a derrota nas eleccións xerais do 28A comezaron a agromar moitos máis de dous nomes para cubrir estes postos. Alén do propio Jiménez Morán, que tras as últimas municipais volveu quedar sen opcións de volver á alcaldía de Verín, xorden outros de cargos que non lograron os postos aos que aspiraban nas xerais, como o da ex-presidenta do Parlamento Pilar Rojo ou o de Juan Juncal, antigo alcalde de Ferrol. A estas opcións pódense unir algunhas máis despois de que, nas constitucións das corporacións municipais deste sábado, destacados dirixentes do PPdeG vaian quedar sen poder. Entre as cábalas manexadas figuran múltiples nomes, como é o caso do ex-conselleiro e ata agora alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, entre outros. |
NOS_18204 | As veciñas das aldeas Angueira do Castro e Sisto, pertencentes ao municipio de Rois, están a organizarse para impedir a instalación dunha Liña de Alta Tensión (LA) cuxo corredor cruza un territorio no que se atopan o castro Lupario, a carballeira de Francos, o pazo do Faramello ou un tramo do Camiño Portugués. | A veciñanza das ldeas de Angueira do Castro e Sisto, no municipio de Rois, explica a Nós Diario que a primeira constancia que tivo do proxecto de Rede Eléctrica Española, multinacional con orixe estatal, foi en agosto de 2019. "Púxose en marcha en 2011, polo que sabemos, mais nós tivemos coñecemento cando representantes da compañía achegáronse ás aldeas para negociar as expropiacións dos terreos para a Liña de Alta Tensión", di Xavier Olite, veciño de Angueira de Castro. "Seguro que se publicou no Diario Oficial da Galiza e que estivo exposto no Concello de Rois, mais ninguén nos deu aviso", reclama Olite. A LAT transcorrería próxima a elementos patrimoniais como o castro Lupario, onde se atopan varios petróglifos, o pazo do Faramello ou a carballeira de Francos. O DOG que anunciaba o proxecto foi publicado o 9 de agosto de 2019. No artigo detállase que a infraestrutura foi aprobada no Acordo do Consello de Ministros do 16 de outubro de 2015. Nunha resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, outórgase a Rede Eléctrica Española o permiso administrativo para a construción da LAT, declarada así mesmo "ben de interese público". A autopista eléctrica proxectada nacerá en Mazaricos e percorrerá os municipios de Outes, Negreira, Brión e Rois, rematando no de Lousame. A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube. |
PRAZA_9091 | Santo Amaro, a auga máis fría da Coruña, a area onde aprendemos a nadar a rapazada de Monte-Alto toda. Santo Amaro, 15 de xaneiro, romaría e festa a eito -a primeira do ano- pola banda de Matamá. Vigo e A Coruña son a mesma cidade, unidos tamén polo misterio deste santo. | Santo Amaro, a auga máis fría da Coruña, a area onde aprendemos a nadar a rapazada de Monte-Alto toda. Santo Amaro, 15 de xaneiro, romaría e festa a eito -a primeira do ano- pola banda de Matamá.Vigo e A Coruña son a mesma cidade, unidos tamén polo misterio deste santo. O Amaro navegante que, tras innúmeros perigos, atopou a illa do Paraíso. Lenda que recolleu Uxío Carré, e publicou, en 1925, no nº 19 da Revista Nós. Relato evocador que, inmediatamente, nos conduce cara ao irlandés Brandán e a súa famosa navigatio.A devoción é a de Amaro, mais por toda Galiza suplanta a súa imaxe outro personaxe. Co libro e o caxato, o italiano Mauro, vestido –foi o primeiro discípulo de San Bieito- co hábito desta orde. Cal é o porqué deste paradoxo? Sinxelo. Amaro non forma parte do santoral romano. A súa orixe é un misterio. Mais tan grande foi a súa fama que á Igrexa Católica non lle quedou máis remedio que identificalo con algún dos santos canónicos. E elixiron aquel ao que máis se asemellaba o seu nome: Mauro. Aínda que ambas as dúas palabras non teñan nada que ver entre si, e sexa imposible –houbo intentos- relacionalas a través das leis da etimoloxía (o latín maurus convértese en galego en mouro). Ramón Cabanillas, no seu poema "O bendito San Amaro", ofrece outra versión. Mais, por se non for dabondo o conto de Carré, achego máis fontes sobre a lenda do santo navegante: La vida del bienaventurado Sant Amaro: y de los peligros que passó hasta llegar al parayso terrenal, así se titulan as primeiras edicións da súa historia en castelán, publicadas en Toledo, 1550, e en Burgos, 1552.Mais conservamos un texto aínda máis antigo –século XIV- en portugués: Conto de Amaro, manuscrito incluído na Colecção Mystica de Frei Hilário da Lourinhãa, Monge Cisterciense de Alcobaça. (1) Relato fascinante, velaí só un petisco: Despois de moitos días de navegación detívose de súpeto a nave. Non podía avanzar porque o mar estaba coalhado. Amaro e os seus dezaseis mâcebos grandes e arryzados ficaran inmobilizados polo xeo. Descubriron entón como uns monstros terribles, as belfas marynhas, estaban a devorar os cadáveres das tripulacións doutros barcos tamén atrapados nesa auga. Amaro pediu auxilio á divindade. Achou resposta. Baleiraron os odres todos que levaban abordo, enchéronos de aire, e tiráronos ao mar ben atados con fortes cordas. Inmediatamente, confundíndoos con persoas, as belfas marynhas botáronse a eles. Tanta era a forza da súa trabada que, co seu impulso, foron quen de liberar a embarcación dos xeos do mar coalhado .Amaro navegante, santo exclusivamente ibérico e, por ende, atlántico. Moi honrado na Galiza e Portugal. Polos camiños da auga chegou a ser tamén protagonista de famosas romarías en Madeira, Canarias ou nas illas dos Azores…Na Coruña tivo, capela e fonte enriba da súa praia. A famosa –no meu barrio- fonte do Picho, desaparecida hai poucos anos, sen que ninguén no Concello nos dese ningunha explicación. En Vigo, alén da de Matamá, existiu outra capela máis, nas Travesas, a que deu nome ao propio barrio de San Amaro (entre a Praza de España e a Avenida da Hispanidade).O 15 é o día grande, mais xa están a chegar as romeiras e os romeiros. Marcos Alonso, do colectivo Malaherba, ten estudado ben esta tradición. As primeiras referencias ao Santo Amaro (única forma documentada nos textos antigos) son do século XVI. Até o século XIX, en Matamá, Mauro non aparece por sitio ningún. Moi avogoso contra a reuma, acudían (e acoden) ao seu amparo moitos doentes deste mal. Daban tres voltas de xeonllos á capela (agora a pé) e pousaban o exvoto de cera diante da imaxe. Tan seguros estaban do seu poder curador que, conforme remataba a misa, reumáticas e reumáticos tirábanse ao dereito á carne de porco (nomeadamente cacheira e orella) –quen dixo medo ao ácido úrico !-, outro ritual imprescindible nesta romaría. "Dos vellos navegantes e a illa do paraíso", así se titula un dos capítulos da miña novela "A Gran Travesía de Chiruca Macallás". Nel, por suposto, Amaro é protagonista. Uxío Carré recolleu a súa lenda, en 1925, en Figueiroa de Abegondo, freguesía onde naceu meu pai. Por iso débolle especial devoción, e por iso esta terza feira acudirei coa propia Chiruca á súa romaría. A ver se damos probado algo de orella. Por certo, aínda que agora case ninguén o lembre, Matamá tamén é coruñesa, dicíanlle así a un lugar xusto a carón do miradoiro dos Castros. A toponimia o mar, e o poder do Santo Amaro… definitivamente Vigo e A Coruña son a mesma cidade! Nota 1: Elsa María Branco da Silva, Conto de Amaro ( Edição de texto português medieval e introdução ), Apéndie II de Aires A. Nacimento, Navegação de S. Brandao nas fontes portuguesas medievais. Colibri , Lisboa, 1998. Páxina 244 e seguintes. |
PRAZA_3047 | "Xamais me atrevería a dicir semellante cousa", di Guillermina Agulla sobre a suposta perda de habilidade dos profesionais. A nova directora do distrito confirma a marcha atrás de Sanidade e a intención de recuperar axiña a atención aos partos. | O Sergas recúa, eméndase e non só asume que busca reabrir "canto antes" o paridoiro que pechou no hospital de Verín hai pouco máis dun mes, senón que renega dos argumentos que deu nun principio para xustificar a súa polémica decisión.A nova xerente do hospital de Verín renega das xustificacións dadas polo Sergas para pechar o paridoiro, que insiste que se reabrirá "canto antes"A chegada dunha nova directora ao distrito de Verín, logo da dimisión do anterior xerente en plena protesta cidadá, acabou por confirmar a marcha atrás da Consellería de Sanidade. As súas declaracións, ás poucas horas de incorporarse ao posto no hospital, ratifican unha postura que nada ten que ver coa amosada pola xerencia da área de Ourense. A finais do pasado mes de novembro, o Sergas anunciaba o peche da atención aos partos no Hospital Público de Verín. Entre a indignación da cidadanía e do persoal, a xerencia da área ourensá xustificou a medida no baixo número de nacementos atendidos pola baixa natalidade na zona, o que derivaría en problemas de "seguridade" para os pequenos e as nais pola falta de "pericia" e "perda de experiencia" dos profesionais."Falta de pericia dos profesionais? Xamais me atrevería a dicir semellante cousa", di a nova directora do distrito de Verín, en contra do argumento do Sergas"Falta de pericia dos profesionais? Xamais me atrevería a dicir semellante cousa", di en La Región Guillermina Agulla, nova xerente no distrito da comarca de Monterrei. "No hospital de Verín deuse a luz moitos anos. Non podo falar do pasado nin das circunstancias que motivaron a situación actual e eu non veño aquí facer maxia nin milagres, iso que quede claro", advirte nunha entrevista na que renega dos argumentos dados nun principio polo Sergas e na que asume que chega para "tratar de resolver" o problema creado. O seu rexeitamento a acusar o persoal de "falta de pericia" coincide coa crítica dos profesionais do centro verinense, que aínda agora denuncian que foron "sinalados e desprestixiados" en base a uns "criterios técnicos e informes que ninguén ten amosado aínda". A tese inicial da Xunta foi defendida polo xerente da área sanitaria de Ourense, Félix Rubial e polo propio conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. Máis tarde, e logo de que Feijóo virase xa a ollada á falta de pediatras, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, insistía en que o baixo número de partos era "o desencadeante" do peche do paridoiro e achegaba datos que alertan da "redución importante da evolución da natalidade no distrito sanitario". A suposta falta de seguridade nos partos foi a causa esgrimida. O Sergas insistiu na baixa natalidade e na "falta de pericia" dos profesionais como o "desencadeante" do peche do paridoiro, motivos que agora nega AgullaSegundo fontes do persoal do hospital de Verín e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei, a marcha atrás da Xunta ten pouco que ver coas intencións de Félix Rubial que, segundo denuncian, "segue querendo pechar o paridoiro". Médicos do centro aseguran que "a resposta social e o preto que están as eleccións autonómicas" acabaron por convencer o Sergas da reapertura. Guillermina Agulla, nova xerente en Verín, non oculta que ese é o seu "obxectivo", para o que busca os pediatras "onde sexa". Neste venres entrevistouse con varios deles e, segundo fontes hospitalarias, é máis que probable que en febreiro haxa polo menos un especialista incorporado que permita reabrir a atención aos partos e despois de que hai só uns días a convocatoria aberta polo Sergas para dúas prazas quedase deserta. Por outra banda, este pasado sábado, unha muller foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) desde o hospital de Verín ao comprobar que o parto estaba moi avanzado pero que non sería inmediato, polo que era recomendable que fose atendida na capital provincial. Ademais, a parlamentaria socialista Patricia Otero presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta que garanta a continuidade dos paridoiros comarcais, sinaladamente os de Monforte e Burela. A parlamentaria luguesa do PSdeG quere que a Xunta aclare "se estenderá o peche do paridoiro de Verín a outros hospitais comarcais de Galicia". |
NOS_48288 | O xeógrafo Xosé M. Santos sostén que este concepto negativo trata de maneira superficial e culpabilizadora as problemáticas que di sinalar e convida a deixar de empregalo nos debates sobre o territorio. En tanto, o profesor de Bioloxía Pablo Ramil sostén que abarca o "exemplo dunha paisaxe mal xestionada e serve para achegar unha explicación menos técnica ao público". | A cancela somier, o hórreo de ladrillo, os esqueletos das casas que non foron, ou a praza sen árbores na que ninguén para. Desde a súa primeira aparición na prensa escrita, o termo feísmo virou nun caixón de xastre que engloba cada vez máis significados. E que, unha vez asentado no imaxinario colectivo, non deixa de abrir debates e interrogantes ou de protagonizar publicacións. En 2004 a editora Difusora organizou en Ourense o primeiro Foro do Feísmo, do que xurdiu a publicación Feísmo? Destruír un país. En 2005 o colectivo Choiva Ázeda convocou o Concurso Fotográfico de Feísmo Urbanístico nas Pontes e recibiu 199 imaxes. En 2007, a capa do primeiro número da revista Retranca incorporaba un Informe retranqueiro, a praga do feísmo. Atopei un discurso culpabilizador do rural e enfocado no indvidual, di Santos Con Paisaxe e poder: o debate arredor do feísmo na Galiza, o xeógrafo Xosé Manuel Santos publica xunto coa súa compañeira de departamento María de los Ángeles Piñeiro unha nova achega arredor deste concepto. "Tratei de deconstruir ese termo e atopei un discurso moi superficial que se fixa na estética, culpabilizador do rural e enfocado no individual", explica a Nós Diario. Sinalar o rural Santos sitúa o nacemento do termo nunha prensa impresa que ligaba o feísmo a construcións e intervencións no rural. Un discurso que foi recollido polas Administracións publicas. As primeiras referencias recaeron sobre vivendas unifamiliares sen rematar. "Cando son as que se escapan da cultura da débeda, da hipoteca", valora o arquitecto Iago Carro. Santos engade aquelas que imitan a arquitectura de países destinos da emigración. "Teñen un por que", di. Idealízase ese pasado, como se calquera puidese vivir nunha casa de pedra de cantería, apunta Santos O xeógrafo fala da nostalxia pola arquitectura popular en pedra de aldeas que caeron no abandono coa desagrarización e por paisaxes que liga á obra de Rosalía de Castro. "Idealízase ese pasado, como se calquera puidese vivir nunha casa de pedra de cantería. E asumimos, por exemplo, que a Ribeira Sacra é unha marabilla, pero ninguén fala de que Sober ou Parada de Sil son dos municipios máis despoboados", apunta. En 2015, a Guía de campo para a interpretación do feísmo na paisaxe galega integrou novos exemplos deste concepto: construcións de vilas e cidades, galpóns, pero tamén parques eólicos ou portos exteriores. Un dos seus autores, o biólogo Pablo Ramil, defende o uso do termo. "O feísmo é un exemplo dunha paisaxe mal xestionada e conservada, serve para achegar unha explicación menos técnica ao público", di, apuntando tamén as Administracións públicas. O feísmo serve para achegar unha explicación menos técnica ao público, expón Ramil Ramil incide en que a maioría dos casos son legais: "Permitíronse moitas barbaridades no territorio". Dá o exemplo da construción dunha torre de doce plantas en Betanzos cualificada de 'aberración urbanística' por un xornalista en 1981. "Calquera que a observe hoxe pensará o mesmo", afirma. "Castelao xa fala de desnaturalización do territorio cando lamenta a plantación de eucaliptos", continúa o biólogo, puntualizando que prefire "ser nostálxico, como Rosalía". Santos matiza que descartar o termo feísmo non implica negar o maltrato do territorio. "É un ben escaso que estamos a consumir coa extensión das cidades, coa construción de grandes urbanizacións horizontais no litoral. Pero hai que ter en conta que coa detrás da protección da paisaxe tamén hai un interese económico, de uso turístico, que parte das cidades", advirte. Evitar a brocha gorda Ambos convidan a afondar neses debates lonxe da brocha gorda do feísmo. "Supón sempre partir dunha visión negativa, cando hai potencialidades dentro do que abarca ese termo. Un exemplo marabilloso é o uso dos galpóns de Cans, no Porriño, para o festival de cinema, a reciclaxe de materiais ou a convivencia das hortas dentro das cidades", relata. Este é un debate interesante e creo que necesario, mais non se pode partir de botar as culpas, di Santos "Eu trato de non xulgar, de entender os porque, persoalmente podo preferir un estilo a outro mais é unha cuestión subxectiva", di Santos, e puntualiza que, sen caer nesa nostalxia, si que cómpre seguir poñendo en valor a arquitectura tradicional. "Da mesma maneira que se perdeu o apego á lingua, tamén a esas construcións. Sigue presente esa asociación co inculto, co atraso e mais coa aldea", matina. "Este é un debate interesante e creo que necesario, mais non se pode partir de botar as culpas, de que as Administracións boten balóns fora ", conclúe. |
NOS_29915 | A data conmemora a saída da primeira publicación xornalística integramente en galego, 'O Tío Marcos d'A Portela', en 1876. | A Asociación de Medios en Galego (Amega) fixaba en xaneiro de 2018 a data de 7 de febreiro como o Dia dos Medios en Galego, "unha boa ocasión para visibilizar os medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade do país". A data procuraba homenaxear 'O Tío Marcos d'a Portela', nado en febreiro de 1876. A histórica publicación foi a primeira escrita integramente en galego. Subtitulada "Parrafeos co pobo galego" e impulsada por Valentín Lamas Carvajal, conseguiu un notable éxito, chegando a vender 4.000 exemplares nunha comunidade que daquela contaba con altos niveis de analfabetismo. En febreiro dese mesmo ano, 2018, O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, deu lectura a unha declaración institucional co gallo do 7 de febreiro, Día dos Medios en Galego, convidando a sociedade galega a "apoiar esta reivindicación". Este ano a data de 7 de febreiro celebrarase en Carballo cun acto " para visibilizar a importancia e a necesidade de que os medios comuniquen na nosa lingua e darlle luz aos máis de 100 medios que hai en activo (incluíndo revistas especializadas, tanto dixitais como impresas) contando, en galego, o que pasa no noso país". A cita será a partir das 20:30h no Casino1889, unha entidade cultural centenaria, "rexurdida pola mocidade carballesa neste último lustro". O acto será presentado pola regueifeira Lupe Blanco, contará coa presenza de Avelino González, e estarán presentes representantes da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Deputación da Coruña e do Concello de Carballo, colaboradores do evento. A actuación de Terbutalina porá o ramo. |
NOS_45461 | Con letra e imaxe a historia está contada. E se con iso se contrúe un libro, son tamén os elementos para un curta de animación. A editorial Oqo alédase do éxito da súa dimensión audiovisual. Para ver os seus filmes, abonda entrar na web da TVG. | "En Oqo consideramos que o libro non tiña que rematar en si mesmo senón que podía ser punto de partida dunha película de animación" comenta Marcos López, responsábel da área de animación da editorial e ledo co recoñecemento internacional que están a ter as dúas series por eles producidas."A primeira entrada no mundo do audiovisual produciuse con Os contos do camiño, 26 capítulos de 10 minutos cada un que, como a propia orixe dos contos, estaban dirixidos por persoas de diversas procedencias, de case medio mundo. A orixe estaba nos álbums ilustrados da editorial e á fronte de cada capítulo situáronse nomeados animadores como o mexicano Luis Téllez, o arxentino Ismael Mon, o portugués Carlo Pinto e os galegos Borja Guerrero e Iván Prieto.De seis minutos de duración fixéronse as curtas dirixidas ás menores idades, baseadas nos álbums Caracois, un acerto editorial para as crianzas de 2 a 4 anos. Os animaliños coas casas a costas son os protagonistas destas aventuras nas que aprender e divertirse van da man. Na galegaComo facer para ver agora estas animacións? En Finlandia e Arxentina a rapazada viunas nas súas televisións e en Galiza están ao dispor de quen quixer velas. Pódese facer en calquera momento premendo na páxina da CRTVG. Ademais de valorar a necesidade de dotar á produción cultural para as máis curtas idades de medios audiovisuais, en Oqo entenden tamén esta dimensión como un modelo de actuación empresarial. "Acreditamos neste sistema no que o libro é protagonista e desde aí sae todo o demais, trátase dun modelo de produción de 360º, no que a partir do libro nacen todos os demais produtos" sinala Marcos López. Con estas dúas series, Oqo foi seleccionada e premiada en diversos festivais internacionais e conseguiu o Premio á Mellor Iniciativa Editorial de Galiza na última edición dos premios da Asociación Galega de Editores. Como último recoñecemento, Oqo acaba de ver seleccionadas tres das súas curtametraxes para a Mostra Internacional de Cine de Animación da Baixa Fluminense en Rio de Janeiro.A continuar, Oqo ampliarán en 13 capítulos a serie Caracois e botarán a andar unha nova serie a partir dun dos títulos da súa colección, coa idea de continuar na produción de libros para ver na televisión. |
NOS_10156 | Sara Quintana Vila é historiadora da arte e profesora no Grado de Historia da Arte da UNED de Pontevedra. Prepara para Nós Diario os fascículos correspondentes a Santa María de Aciveiro, a Catedral de Ourense e Santa María de Tomiño. Conversamos con ela sobre Santa María de Aciveiro. | No seu traballo indica que o mosteiro de Aciveiro presenta "ornamentación sinxela e sen grandes alardes técnicos", algo común nas igrexas enclavadas no rural. Tamén di que se crea "un tipo de arte de corte popular que configura boa parte da paisaxe visual do noso patrimonio relixioso." Neste contexto, é o mesmo "decoración sinxela" que "arte popular" Non exactamente. Cando falo de decoración sinxela, refírome máis ben á sobriedade nos seus motivos. O Císter promoveu un tipo de vida afastada do luxo. Buscaban a eliminación de todo signo de ostentación e, por suposto, isto incluía á ornamentación nos seus edificios. Reduciuse ao mínimo a decoración de pinturas e esculturas, xa que consideraban que distraían aos monxes do rezo e a meditación. Esta podía ser tamén, aínda que escasa, de calidade. Pero a realidade é que, polo xeral, nestes lugares non se contaba con man de obra moi cualificada, e o resultado foron traballos de tipo popular, de pouca calidade técnica, realizados por obradoiros do lugar aos que as novidades chegaban con un pouco de retraso. Os motivos máis característicos de Aciveiro son os de tipo xeométrico e vexetal, se ben é certo que conta con algún motivo de tipo figurativo, estes son os menos. O mosteiro de Aciveiro tería como unha das súas funcións organizar a produción agrícola e controlar o territorio. Non é iso un pouco contraditorio con fundalo en "lugares apartados non frecuentados polos homes" que din as directrices do Císter? A Orde do Císter chega a terras galegas durante o reinado de Afonso VII, que se converte no seu principal protector e impulsor, facendo doazóns e tomando os mosteiros baixo a súa protección. Cousa que fixeron o seu avó e os seus sucesores cos Beneditinos. Pero isto non o facían de maneira desinteresada. O que buscaban era manter eses territorios afastados do poder e dependencia dos bispos e dos nobres, funcionando como contrapeso á súa influencia. É ao que me refiro cando falo de control do territorio. Amais disto, eran valorados pola súa capacidade de organizar a produción agraria e de articular a vida rural, porque eran donos de bens e terreos que lles foran doados, e que explotaban como medio de sustento. Pódese considerar contraditorio, pero ese espírito austero fundacional, pouco a pouco foi mudando. Co tempo fóronse enriquecendo grazas aos numerosos fieis, que trataban de obter remisións dos seus pecados e gañar a vida eterna mediante doazóns de vilas, igrexas e propiedades territoriais. Que motivos destacaría, dentro da sobriedade, como os de máis relevancia do programa iconográfico do mosteiro? Os motivos máis característicos de Aciveiro son os de tipo xeométrico e vexetal, se ben é certo que conta con algún motivo de tipo figurativo, estes son os menos. Polo tanto non podemos falar dun programa decorativo como tal, pensado e cunha función pedagóxica como noutros templos. Neste caso, a igrexa era para uso exclusivo dos monxes, e estes non o necesitaban. Aínda así cabe destacar a concentración de motivos na zona da ábsida, pola súa variedade. As lendas acompañan habitualmente estas edificacións, caso das formigas en Eiré. Pode contarnos a relacionada co abade deste mosteiro Gonzalo de Penas no mosteiro de Oseira? Si, claro. Estes edificios sempre mantiveron un halo de misterio e foron obxecto das máis diversas historias. Aciveiro non ía ser menos. Conta a lenda que un dos seus abades, Gonzalo de Penas, quizais o máis famoso, un día de outono chegou ao mosteiro de Oseira. Ía de visita de cortesía, a encontrarse cun vello amigo e compañeiro de predicacións e rezos. O tempo non o tratara moi ben. Seica a vida no mosteiro debía ser dura, e o monxe Gonzalo camiñaba como podía, sempre acompañado dunha pomba branca, que non o desamparaba nin de día nin de noite. Curiosamente, ese mesmo día Alonso de Lanzós (líder irmandiño) encontrábase nas inmediacións do mosteiro cos seus seguidores, e coa intención de entrar e baleirar as arcas dos monxes. Cando viron achegarse o abade, deixárono pasar pensando que isto lles facilitaría a entrada. No momento en que lle abrisen, aproveitarían para pasar. O monxe petou na porta, e ninguén respondeu. Entón a pomba sobrevoou o tellado e, ao pouco, un home con hábito branco abriu. Lanzós e os seus viron a oportunidade e correron cara á entrada, mais nese intre, un oso enorme, en pé, e con cara de poucos amigos, impediuno. |
NOS_24993 | A televisión pública non ten espazo nos seus informativos para dar conta dos protestos das mulleres galegas en prol dos seus dereitos. Porén, a nova que máis tempo ocupou no telexornal do día 16 foi o xuízo contra un médico abortista que tería matado sete naipelos nos EUA. A nova foi tirada da imprensa ultrarrelixiosa | Malia que ningunha das mobilizacións que as mulleres levan feito na Galiza en defensa dos seus dereitos, nomeadamente en proldo aborto, atopar acubillo nunha CRTVG dirixida polo PP, non é porque o tema non interese á televisión pública. Nesta semana, o informativo fíxose eco dunha noticia acontecida nos EUA: o xuízo polo "caso arrepiante" dun médico que practicaba abortos a mulleres que non desexaban ser nais e cuxa gravidez pasaba dos seis meses. Acúsano de sete delitos de asasinato por matar sete naipelos e unha nai por sobredose de medicamentos. A TVG fala de "horror dos abortos tardíos" e non dubida en colocar as imaxes de naipelos "aos que lles metía unha tesoira polo pescozo para lles cortar a médula espiñal". Seguindo a axenda da Conferencia episcopal A información, cun posicionamento claro en contra dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres eque demoniza a práctica da interrupción voluntaria da gravidez ao relacionala directamente co asasinato, foi proposta por un redactor xefe que procura as novas en páxinas web de colectivos ultracatólicos, segundo denuncia o blogue Eu non manipulo, redactado por traballador@s da televisión pública. En efecto, da mesma noticia fixéronse eco Libertad Digital e Forum Libertas. Ao non aparecer ningunha referencia nese día a esta información nas axencias de noticias internacionais pódese concluír que, efectivamente, foi elaborada a partir do publicado polos xornais sinalados e por portais vinculados á Igrexa católica. Esta noticia foi a que máis tempo ocupou no telexornal da canle pública, 1 minuto e 35 segundos. Emitiuse ao día seguinte de que Rouco Varela e a Conferencia episcopal reclamasen ao Goberno español a penalización do aborto. |
NOS_24407 | Conversamos coa xogadora do FC Vorderland. A segunda futbolista profesional galega. | Sheila Sánchez tornouse este mes de xullo na segunda futbolista galega con ficha profesional após asinar por unha tempada co Vorderland, unha equipa austríaca da segunda división da Bundesliga. Unha "sorpresa", recoñece, que supón unha "oportunidade" profesional única para esta deportista de elite. Porén, a fichaxe de Sánchez non ocupou grandes páxinas na imprensa hexemónica. Un dos "atrancos" cos que se atopa calquera muller, dentro e fóra do deporte. Conversamos con ela antes de que colla rumo a Austria para unirse á equipa. Como estás a viver todo isto?A fichaxe foi unha sorpresa mais estou desexando marchar para comezar xa. Estiven alá unha fin de semana e é todo moi familiar. É totalmente diferente a aquí. E a lingua, como o levas?Póñenme un profesor de inglés e de alemán. Vai ser unha experiencia única. Eres, após Vero Boquete, a segunda galega con ficha profesional. Imaxino que é un soño...É. Por fin se recompensan todos os anos de esforzo e sacrificio. En España o fútbol feminino está moi pouco valorado. Continúan a existir moitas diferenzas a respeito do fútbol masculino?Iso é un tema aparte. A diferenza é abismal mais alí [en Austria] está moito mellor. É complexo chegar a ser profesional?É cuestión de ganas e de non ter medo. Hai quen non vai por medo a saír de aquí, a priorizar o fútbol aos estudos... Tiveches que renunciar a algo?Renunciei á praza na universidade porque é unha oportunidade única. Continúan a haber moitos atrancos no fútbol para as mulleres?Hoxe en día as cousas melloraron moito. Eu comecei con 5 anos e era a única rapaza que quería xogar ao fútbol na Coruña. Ningunha equipa quería fichar mozas. Só unha me deixou adestrar con eles e "se nos gustas facémosche ficha". Tiven que demostrar que valía para poder quedar. No campo preguntábanme se era unha rapaza ou un rapaz. Agora hai moitas rapazas xogando ao fútbol nas categorías inferiores. Neste senso, non sei que tería acontecido se o Orzán [a súa primeira equipa] non me tivese aberto a porta. "Xogar na selección galega foi o máximo" O seleccionador español de fútbol feminino vén de ser destituído após as denuncias das xogadoras polos seus comentarios sexistas e o tratamento denigrante que recibían. Algo que tamén denunciaron, por exemplo, as deportistas do Leis 26 de Pontevedra. É algo habitual?Persoalmente, cando eres pequena escoitas comentarios desde fóra do campo como os que che comentaba, se era unha nena ou un neno. Mais por parte dos meus adestradores e dos compañeiros nunha sufrín ningún tipo de discriminación. Foches xogadora da selección galega, tamén... Chegoume a convocatoria con 13 anos. Foi unha sorpresa e para min foi o máximo xogar, primeiro na sub'16, e desde entón en todas as categorías. Tamén en fútbol praia. Falta apoio institucional ao deporte feminino?Podería apoiarse moitísimo máis e deberían visibilizalo. Ese é un dos maiores problemas. Por exemplo, na segunda división terías que destacar por riba de calquera persoa para ir á selección española. As xogadoras son sempre de primeira e moito é pola falta de visibilidade pois hai moi boas xogadoras. Ademais, hai moita xente que non sabe do fútbol femenino. Estou en segunda división e cando o digo, alucinan. É un pouco triste. |
PRAZA_19724 | Cando o feminismo e moitas persoas racionais e xustas queren abolir a prostitución, hai outras, entre as que se encontran persoas dedicadas ao benestar social ou mesmo á política, que pretenden legalizar ese alugueiro de úteros, coma se dun ben público se tratase. | Ao longo da miña vida fun testemuña da creación de eufemismos. Tal vez non cambie a realidade do cego chamándolle invidente, nin do coxo cualificándoo de diminuído físico, pero a intención obedece a unha maior aceptación social e, de feito, tiven oportunidade de comprobalo. A mocidade é máis compasiva e vai normalizando as eivas. Outros eufemismos son mera hipocrisía, ou, peor aínda, disimulo do feito en si para evitar o escándalo. Nestes casos, sinto curiosidade por saber que mentalidade o creou. Refírome a madre subrogada. Subrogación é un termo empregado en Dereito relacionado coa delegación de competencias noutra persoa. Un negocio xurídico polo que unha persoa sitúa a outra nunha obriga, nunha débeda. A debedora precisa dar o seu consentimento. Quen daría con ese eufemismo que substitúe á compra dun útero feminino, para ser xerada nel unha criatura que, despois de parida ( ignoro se tamén aleitada ) pasará ás mans do comprador, sen que exista ningunha relación persoal entre o acredor e a debedora. Que sinxeleza! Parece mesmo a purísima concepción! Sen romperse nin mancharse. Un negocio limpo, diríamos. Masturbación do acredor para obter os espermatozoides, enviados con toda clase de garantías, para seren introducidos nun útero novo, igualmente garantido, en días fértiles. A operación previa é o envío do diñeiro mediante transferencia, tamén limpo porque ninguén precisa tocalo. Anonimato total. Casos haberá nos que a debedora non ten que dar a autorización, ao teren os pais a autoridade. Outras son mulleres pobres que necesitan vender o corpo. Estamos ante unha nova modalidade de prostitución. Moito máis cara para o cliente e moito máis dura e onerosa para a muller. Sen contar os nove meses de embarazo e o quebranto de saúde correspondente, máis de 300.000 mulleres morren de parto cada ano no mundo. En España, un dos países con menos mortalidade por ese motivo, só morren 26. Pero tratándose de mulleres de países pobres, o risco é maior. O intermediario ou macarra, sae moi beneficiado. Neste casos será probablemente unha empresa. E supoño que as mafias xa estarán funcionando, aínda que con máis coidado. Non poden tratar as criaturas coa mesma crueldade coa que manipulan e golpean ás destinadas á prostitución. Pola contra, ese envío debe chegar ao destinatario en perfecto estado. Cando o feminismo e moitas persoas racionais e xustas queren abolir a prostitución, hai outras, entre as que se encontran persoas dedicadas ao benestar social ou mesmo á política, que pretenden legalizar ese alugueiro de úteros, coma se dun ben público se tratase. Até agora comentei este tema como explotación das mulleres, maior canto menor é o seu poder e a súa economía. Pero hai máis. Deste modo, con esta subrogación, poden existir, xa os hai, de feito, moitos homes pais de seres sen nais. É o patriarcado absoluto. Homes gay, que teñen un nivel económico moi alto para elixir e comprar o que queiran, homes sen muller, que poden prescindir delas totalmente, e teren fillos sós, dependentes unicamente deles, criados e educados conforme a os seu único criterio. Paternidade absoluta e exclusiva. Isto é novo e dá para cismar, amigas feministas. |
PRAZA_18955 | A asociación DMD Galicia, que promove desde hai tres anos a celebración do Día da Morte Digna o 12 de xaneiro, data na que morreu Ramón Sampedro, reclama ao Goberno galego que informe á cidadanía sobre o dereito a unha morte asistida medicamente, a formación do persoal sanitario na materia e que inclúa esta opción no testamento vital que asinan os doentes no Sergas cando teñen as súas capacidades plenas | A asociación Dereito a Morrer Dignamente reclama ao Goberno galego que informe á cidadanía sobre o dereito a unha morte asistida medicamente e que inclúa esta opción no testamento vital que asinan os doentes no Sergas cando teñen as súas capacidades plenas"A lei de eutanasia desenvolve un dereito individual relacionado coa liberdade das persoas e co respecto á súa dignidade", afirma o presidente da asociación galega Dereito a Morrer Dignamente, Miguel Anxo García Álvarez. Este colectivo promove desde hai tres anos a celebración do Día da morte digna o 12 de xaneiro, data na que morreu Ramón Sampedro, "símbolo do dereito a decidir sobre a propia vida e da loita pola despenalización da eutanasia".A Xunta aprobou a comezos do verán a creación da comisión que avaliará as solicitudes de eutanasia no Sergas. Fíxoo fóra do prazo legal establecido e, para Miguel Anxo García Álvarez, "remoloneando" e con intención de "entorpecer". "Empregaron unha fórmula de oposición pasiva á lei de eutanasia, en contraposición cos claros rexeitamentos de Gobernos como os de Andalucía ou Madrid, comunidades gobernadas tamén polo Partido Popular", advirte o psicólogo clínico."Se non se forma aos profesionais creáse unha dificultade real, obxectiva, para que as persoas que o soliciten vexan satisfeito este dereito", sinala o presidente de Dereito a Morrer Dignamente"Interpretamos que se estivo remoloneando [por parte da Xunta] e empregando argumentos ao servizo de dimensións políticas que non tiñan que ver coa importancia que isto ten para as persoas e para os sufrimentos concretos que están detrás da regulación deste dereito", defende o presidente de Dereito a Morrer Dignamente, que non ve vontade por facer accesible a eutanasia dentro do Sergas. A asociación denuncia a falta de formación aos profesionais do Sergas a respecto deste dereito. "Faise unha webinar na que se informa de todo isto e aí queda, para a consulta posterior en vídeo", explica Miguel Anxo García Álvarez, que considera esta acción "insuficiente". "Se non se forma aos profesionais creáse unha dificultade real, obxectiva, para que as persoas que o soliciten vexan satisfeito este dereito. Desta maneira, o dereito á morte digna está a ser menoscabado", asevera. A formación dentro do Sergas non parou coa pandemia, polo que dende a asociación ven unha clara "falta de vontade" por parte de Sanidade ao non incluír máis formación ordinaria de capacitación relacionada co desenvolvemento dun novo dereito fundamental recoñecido no Estado. "Trátase dun elemento novidoso que, nun momento dado, crea inseguridades que dificultan que os profesionais sanitarios poidan levalo a cabo con normalidade. Estamos ante un dereito que está ao nivel do resto de dereitos individuais, debemos tratalo co valor e a importancia que ten", argumenta o psicólogo clínico.A eutanasia, fóra das opcións do testamento vitalDereito a Morrer Dignamente critica especialmente que a opción da eutanasia non estea dispoñible no documento de instrucións previas que reciben os pacientes no Sergas, o coñecido como testamento vital, tal e como se recolle na lei. Isto forma parte das accións que ten que levar a cabo cada comunidade autónoma, xa que as competencias en Sanidade están transferidas."Na lei de regulación da eutanasia prevese que as persoas –anticipadamente, cando están en condicións de plena capacidade– deixen previsto que, se cumpriran os requisitos previstos na lei e perderan a capacidade para nese momento solicitar a eutanasia, xa o teñan expresado. O feito de que unha das opcións que as persoas podemos tomar cando rexistramos o noso testamento vital non apareza é un acto de obstrución importante", lamenta o psicólogo clínico, quen explica que o caso prototípico é o das persoas con demencia, coas que é fundamental coñecer a súa vontade antes de que perdan as súas capacidades cognitivas. "Debera expresarse claramente esta opción no impreso que se lle ofrece ás persoas", reitera Miguel Anxo García Álvarez, quen incide en que a situación actual "furta a xente" de saber, cando está en condicións de plena capacidade, que pode optar pola eutanasia se chega a estar nunha das situacións "indesexables" que contempla a lei. O pasado 3 de novembro, a asociación remitiu un escrito ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no que lle solicitan a modificación dese impreso de instrucións previas do Sergas para engadir a opción da morte asistida medicamente. Así mesmo, instan a Comesaña a "informar mellor" á cidadanía da importancia de rexistrar esas instrucións previas "para garantir que a atención sanitaria sexa acorde cos desexos que as persoas temos con respecto a atención que queremos". "Aquí hai un problema de vontade política e de respecto aos dereitos fundamentais. Recordemos que o PP e Vox teñen presentado un recurso de inconstitucionalidade sobre esta lei. Por moito que exista este recurso a lei está publicada no BOE e os gobernantes non se deben ao seu partido político, débense á poboación sobre a que gobernan", A lei aprobada en decembro de 2020 polo Congreso, 22 anos despois do falecemento de Ramón Sampedro, define a eutanasia como "a actuación que produce a morte dunha persoa de forma directa e intencionada mediante unha relación causa-efecto única e inmediata, a petición informada, expresa e reiterada no tempo pola devandita persoa, e que leva a cabo nun contexto de sufrimento debido a unha enfermidade ou padecemento incurable que a persoa experimenta como inaceptable e que non puido ser mitigado por outros medios". Así, o texto lexislativo conecta a eutanasia "cun dereito fundamental da persoa constitucionalmente protexido como é a vida", que se debe compatibilizar tamén "con outros dereitos e bens, igualmente protexidos constitucionalmente, como son a integridade física e moral da persoa, a dignidade humana, o valor superior da liberdade, a liberdade ideolóxica e de conciencia ou o dereito á intimidade". O domingo 16, ás 13.00 horas, a asociación convoca un acto en homenaxe a Ramón Sampedro na praia das FurnasEste domingo, 16 de xaneiro, Dereito a Morrer Dignamente convoca un acto conmemorativo e reivindicativo na praia das Furnas, en Xuño (Porto do Son), ás 13.00 horas. "Será unha homenaxe a Ramón Sampedro polo que significou a súa aportación, porque os seus razoamentos fixeron o avanzce cara a o dereito á morte asistida medicamente; e a outras persoas que tiveron que pelexar para poder morrer, cando as súas condicións de vida as vivían como insufribles", explica Miguel Anxo García Álvarez.Ademais do recoñecemento ao esforzo de todas as persoas que contribuíron a que hoxe falemos da eutanasia como un dereito fundamental recoñecido legalmente, o encontro na praia das Furnas será tamén un espazo para reivindicar que as Administracións públicas "cumpran coa súa obriga de facilitar o acceso" a este dereito. |
NOS_56064 | A central sindical considera que o texto que o Ministerio de Traballo pactou con CCOO, UXT e os empresarios tampouco "avanza na consecución de novos dereitos, tan necesarios nun contexto de crise como o actual e logo dunha década de empobrecemento e precarización da clase traballadora". | A CIG, sindicato que non estivo convidado a participar nas conversas sobre a nova reforma laboral e achegar a perspectiva galega, conclúe que o acordo anunciado esta quinta feira por sobre a mesa "unha nova reforma laboral inxusta". Após coñecer uns primeiros datos do texto referendado pola ministra de Traballo, a galega Yolanda Díaz, o empresariado e as centrais sindicais de Comisións Obreiras e UXT, incide en que "non permite a recuperación de dereitos perdidos" pola clase traballadora nos últimos anos. Aínda que puntualiza que analizará máis a fondo o documento, o sindicato do país lamenta que quedaran "intactas as partes máis lesivas" da norma que sacara adiante o PP en 2012. "Non avanza polo tanto na consecución de novos dereitos, tan necesarios nun contexto de crise como o actual e logo dunha década de empobrecemento e precarización da clase traballadora", subliña. O secretario xeral, Paulo Carril, denuncia que as promesas de derrogar a reforma laboral de certos partidos políticos e sindicatos quedaron niso, só en promesas. O contido do documento rubricado este 23 de decembro, "pola información publicada até agora, consiste nunha actualización da normativa previa para adaptala ao marco do plan de recuperación da actual crise capitalista, que se deseñou dende a Unión Europea baixo a marca NextGeneration". Así, continuarían vixentes puntos que facilitan e abaratan o despedimento, por exemplo. Tamén dependerá só das empresas decidir un cambio destacado nas condicións de traballo. Son só dous exemplos.Sobre outros aspectos presentados como novidosos desta reforma, referidos á precariedade, á subcontratación e á temporalidade, Carril advirte de que "non se crea nin se asegura ningún dereito, xa que non se fecha a porta a que as empresas sigan facendo abuso da temporalidade e da subcontratación"."Para nada estamos diante de ningunha clase de derrogación da reforma laboral, no mellor dos casos, estamos ante unha grave actualización e posta a punto da brutal reforma laboral de 2012 do PP", conclúe o representante da CIG. |
PRAZA_11058 | Nós estaremos alí, no fondo da fotografía, ollando ás mulleres do mañá berrar coma un neno que respira por primeira vez. Ese berro desesperado que precede á existencia. Chegou o momento de porse a un lado e dar paso ás que virán, de escoitar atentamente a sabedoría daquelas que aínda non coñecen a maldade; son as únicas que poden atacala. | Gretiña, soa nunha cume de lobbies e persoas traxeadas. Amosando o seu descontento, a tristura, a rabia que non pode agochar cando escoita a aquelas persoas tan alleas á realidade falar de novas políticas medioambientaisGreta Thunberg. A nosa Greta. Icona e líder da loita do século XXI fronte o fin do noso mundo. Dezaseis anos e asperger. A nena verde con TDAH. Gretiña, soa nunha cume de lobbies e persoas traxeadas. Amosando o seu descontento, a tristura, a rabia que non pode agochar cando escoita a aquelas persoas tan alleas á realidade falar de novas políticas medioambientais, de intencións, de xestos 'altruístas' e máis ben aldraxantes coas xeracións que veñen. Gretiña case chorando, sentindo o ollar do MR. Trump nas costas. Hai unha frase que miña nai adoitaba dicir, e é que a terra non é a herdanza das nosas nais senón un préstamo das nosas fillas. Sabia e certeira, o cal quere dicir, xusto o contrario do que se fai. Certo é que as nais sempre falan desde o futuro dos nosos soños; elas veñen do mundo das ideas. Se o pensamos ben, esa fotografía mental de Greta Thunberg e Donald Trump representa a división non só de dúas xeracións, senón de dúas interpretacións da vida. Dous universos infinitos e contrapostos. Una imaxe fermosa, "Dello stupido mondo antico e del feroce mondo futuro". Porén, sento medo cando volto ao punto no cal diverxen o mundo antigo e o mundo que virá cando deixemos que aquelas que o teñan que construír, pedra a pedra, o fagan. Hai unha frase que miña nai adoitaba dicir, e é que a terra non é a herdanza das nosas nais senón un préstamo das nosas fillasE se o mondo antico non acepta a súa morte? E se o mondo futuro é tan só a neta desta vida que non muta?Ese medo é certeiro, instálase no meu corpo, rolda pola miña testa e arrefía os ósos. Ese medo doe. Doe porque levamos moito tempo, máis do que nos estaba permitido, alongando un proceso inevitábel como a vellez, pero fuxe cando emerxe a imaxe de Greta, da nosa Gretiña. A imaxe dun futuro esperanzador. A imaxe dunha xeración que xa non cre na palabra do poder. Nenas inconformistas, nenas valentes que nacen nunha terra que lles foi arrebatada, porque como xa dixen, a terra non era nosa. Os verdes e os azuis, a pureza do osíxeno, a beleza das montañas e o caudal dos ríos, todo aquilo era un préstamo. Confiaron en nós, déronnos un paraíso e o paraíso ficou nun anaco de terra seca e queimada. A imaxe dunha xeración que xa non cre na palabra do poder. Nenas inconformistas, nenas valentes que nacen nunha terra que lles foi arrebatada, porque como xa dixen, a terra non era nosaE cal é a diferencia entre elas e nós? Nós vivimos no mundo e vivimos o mundo coma se fose noso. Como se houbese un posesivo nesta relación na cal nós estamos situados na parte que máis pesa da balanza. O mundo pertence ao ser humano, é así, 'nomás'. O que resta está posto de paisaxe, o escenario para que a nosa trama poda desenvolverse con xeito.A nosa casa está ardendo e fomos nós as que plantamos lume. E son elas as que veñen coa súa inocencia e as súas gañas a cambialo todo. Veñen cos seus ollos cheos de vida para vencer ás lapas. A nosa resposta? temor. Temor por non seren capaces de velo. A envexa máis pura por non ser nós as que crearon esta loita. Vergoña por deixar que a desidia se apoderase de nós. Agora queremos quitarlle peso ás súas voces. Dicir que somos nós as que traballamos arreo, as que comezamos nesta viaxe de volta ao ventre. Nós estaremos alí, no fondo da fotografía, ollando ás mulleres do mañá berrar coma un neno que respira por primeira vez. Ese berro desesperado que precede á existenciaMáis cómpre facer autocrítica. Nós xa estamos tarde e culparémosvos, seica, de incendiar onde xa non queda nada. Non nos deixes, Gretiña. Esta loita é vosa. E nós, non deixemos que a nosa falla de control e de conciencia contamine máis do que xa o fixeron as nosas centrais, os nosos plásticos e o noso ultraconsumo sen límites. Nós estaremos alí, no fondo da fotografía, ollando ás mulleres do mañá berrar coma un neno que respira por primeira vez. Ese berro desesperado que precede á existencia. Chegou o momento de porse a un lado e dar paso ás que virán, de escoitar atentamente a sabedoría daquelas que aínda non coñecen a maldade; son as únicas que poden atacala. |
PRAZA_10621 | A renuncia de Pablo Iglesias a esixir ser ministro marcou o inicio das negociacións definitivas entre PSOE e Unidas Podemos. "Ata o xoves hai tempo", din fontes da negociación en referencia á segunda votación, á que previsiblemente se chegará por mor da ausencia de maioría absoluta na primeira | A hora da verdade. Cando están a piques de cumprirse tres meses dende as eleccións xerais do 28 de abril, dende este luns está en marcha no Congreso dos Deputados o debate de investidura de Pedro Sánchez, o segundo ao que se somete na súa vida política o líder do PSOE, quen tras fracasar no intento de 2016 logrou acadar a presidencia en 2018 tras sacar adiante a moción de censura ao Executivo de Mariano Rajoy.A sesión de investidura bota a andar co seu triunfo ou fracaso pendente das negociacións dos socialistas con Unidas Podemos. O escenario destas conversas virou de vez o pasado venres, cando o secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, fixo oficial a súa renuncia a esixir ser ministro como condición para o pacto. Iglesias tombaba así o que o propio Sánchez presentara como principal obstáculo para formar un goberno de coalición e activaba a efectos prácticos as negociacións definitivas.Como informan Irene Castro e Andrés Gil para eldiario.es, o debate de investidura comeza sen que haxa un acordo pechado. Este domingo á medianoite pechouse o que foi o primeiro día de negociación entre o PSOE e Unidas Podemos e, aínda que opten pola discreción, ambas forzas admitían a primeiras horas do luns que, previsiblemente, o debate comezará cun escenario aberto.A negociación real comezou o sábado pola tarde. Dun lado, a vicepresidenta en funcións, Carmen Calvo; na outra beira, o negociador por parte de Unidas Podemos, Pablo Echenique. Dende a banda de UP, que subliña que o relevante é o "programa" do novo Goberno, sinalan como potenciais obstáculos que "por parte do PSOE ofrecen unha vicepresidencia simbólica sen competencias e carteiras que non permiten desenvolver as políticas que estamos a pedir", explican fontes da formación. "Ata o xoves hai tempo", din fontes da negociación en referencia á segunda votación, á que previsiblemente se chegará por mor da ausencia de maioría absoluta na primeiraA estrutura do gabinete e os nomes de quen ocupan as carteiras corresponde en última instancia ao presidente, segundo lembran desde o PSOE. Os socialistas recoñeceron ao pór en marcha os contactos "que a designación dos ministros de Unidas Podemos sería o primeiro atranco". Aínda que os de Sánchez recoñecían que o "ideal" era chegar ao pleno de investidura cun acordo pechado, aseguran que hai marxe ata o xoves, cando se celebraría a segunda votación se, como previsiblemente sucederá, non existe maioría absoluta na primeira. "Trabállase para chegar a un acordo pero sen o reloxo posto para o luns para non engadir máis presión. Ata o xoves hai tempo", resaltan. |
NOS_11501 | O PP foi incapaz de conseguir apoios nas bancadas da oposición á hora de dar luz verde á nova Lei de Patrimonio Natural. O Hórreo aprobou esta cuarta feira un texto que vén dar o relevo a outra norma tamén aprobada hai 18 anos só cos votos do PP. A oposición ve na lei unha nova proba de que o PP está entregado ás grandes corporacións dos sectores forestal, eléctrico e mineiro. | Dous mundos antagónicos no Pazo do Hórreo. Na narrativa do PP, por fin Galiza ten unha lei de patrimonio natural adaptada aos tempos e feita a partir do diálogo coa sociedade civil. No relato da oposición, o texto é unha "farsa absoluta", segundo a expresión de Patricia Vilán (PSdeG), como non podía ser menos tendo en conta que en materia ambiental o PP é "Atila na Galiza", tal e como afirmou na Cámara p deputado do BNG Luís Bará, ou a propia conselleira no canto de o ser de Medio Ambiente seríao de "Ence, Naturgy e Atalaya Mind", na caracterización feita por Antón Sánchez (En Marea). "É pouca ambiciosa [a lei] e non aborda a situación de extrema gravidade do noso medio natural", recapitulaba pola súa parte Davide Rodríguez (a En Marea villarista) Quen abriu lume no debate foi o grupo que daba soporte á iniciativa, un PP que, en boca do seu portavoz de Medio Ambiente Gonzalo Trenor, afirmou que a nova lei viña para consolidar a "prevalencia da protección medio-ambiental" sobre a ordenación territorial e urbanística, visando tamén garantir a "conservación", o "uso sostíbel" e a "mellora e restauración do patrimonio natural". Trenor víalle máis virtudes á proposta: aos seus ollos, o novo texto lexislativo fomenta a "información pública" e "os mecanismos de colaboración, cooperación e participación da sociedade no deseño e execución das políticas nesta área". A oposición, en troca, afeou ao Goberno Feixoo falta de diálogo durante a elaboración do texto, crítica que foi despachada por Trenor co seguinte recado ás bancadas da esquerda e o nacionalismo: "A protección do noso patrimonio natural non pode depender da axenda partidista da oposición". En realidade, PSdeG, En Marea, BNG e villaristas ven na norma un dispositivo legal feito para favorecer as grandes corporacións que teñen interese na explotación da base material do país. "É a lei das portas xiratorias e das empresas do IBEX35", afirmou ao respeito Luís Bará, en tanto que Antón Sánchez acusaba a Xunta de ser "cúmplice da perda da biodiversidade galega". Por súa parte, Patricia Vilán criticaba que desde a súa chegada ao goberno Feixoo reducira en 30% as partidas orzamentarias destinadas á protección do patrimonio natural, ao tempo que Davide Rodríguez puña en destaque que"na lei non queda claro que o aumento imparábel do eucalipto estea relacionado co abandono agrario e co declive do medio rural galego". |
PRAZA_8671 | O adestrador galego reivíndicase no Deportivo tras obrar o milagre de mantelo con moita vida a falta de seis xornadas de Liga. O club coruñés xa conta con el para a vindeira tempada, aínda que baixe a Segunda. | "Quero demostrar que Fernando Vázquez segue vivo", dixo o de Castrofeito nada máis aterrar no banco do Deportivo. E abofé que estaba vivo. Tanto, que fixo resucitar un morto como o club coruñes, abafado polas débedas, en concurso de acredores e a un milagre (ou algo máis) de saír dos postos de descenso. Case ninguén cría na remonta e a afección branquiazul conformábase con converter a desfeita que fora a tempada nun final digno para un conxunto que tiña un pé e tres cuartos do outro na Segunda División. O Deportivo aínda pode acabar cos dous pés no inferno. Ten só dous puntos de marxe sobre o descenso e un calendario complicado de aquí ao final de Liga. Seis partidos nos que Fernando Vázquez e os seus determinarán se o milagre é completo ou queda a medias. Sexa como for, o club coruñés xa negocia co adestrador galego para que siga un ano máis no equipo (farao se o salva do descenso). Xogue onde xogue e nas condicións que sexa. Ninguén máis acaído para intentar recompoñer un equipo que deberá mirar máis que nunca á canteira e aos máis novos. O Deportivo quere contar con Fernando Vázquez a vindeira tempada, aínda que o equipo descenda a Segunda División "Ninguén me convencerá de que non podemos gañar de forma consecutiva a Celta, Mallorca e Zaragoza", asegurara Fernando Vázquez tras os seus catro primeiros encontros, unha xeira que empregou como pretemporada, consciente de que poucos lle ían esixir sacar algo positivo ante o Sevilla, o Real Madrid ou o Barcelona. E chegou o derbi. A vida ou morte. Unha derrota sentenciaba os coruñeses a Segunda e unha vitoria dáballe apenas algo de aire. Gañou o Deportivo. E venceu tamén a Mallorca e Zaragoza. O imposible estaba feito. Marcando goles, remontando e xogando ben. Lanzados por uns seareiros implicados que rapidamente se identificaron cun adestrador que mostraba, cando menos, tanta paixón coma eles. Contra o Levante, na cuarta vitoria consecutiva, non dubidou en compartir a súa ledicia cos afeccionados nas bancadas. Coma un rapaz con zapatos novos. Como aquel adestrador que debutara en Primeira co Compostela. Aquel que corría pola banda en cada gol co Celta, como fai agora. O mesmo que levaba tempo soñando con adestrar en Riazor. "O meu non é maxia, é traballo", reivindica o de Castrofeio, esquecido polo fútbol español durante anos Logo de sete anos afastado dos bancos e esquecido -e incluso infravalorado- polo fútbol español, Fernando Vázquez volveu sorrir. Como nunca. "O meu non é maxia, é traballo", aclarou, malia que xa é visto na Coruña como o único artífice milagreiro da recomposición dun equipo que estaba roto, tanto no futbolístico como no anímico. Porque aí está o milagre, a de facer con case idénticos xogadores o que os dous anteriores técnicos non lograran nin soñar. Vázquez ofrécese para liderar a renovación do Deportivo, baseándose na canteira e en xogadores galegos "Non cheguei ao Deportivo na busca de diñeiro, viñen salvalo", insiste un técnico que chegou a ofrecerse para liderar o que sería unha "renovación" do club, obrigado pola difícil situación económica. Con xogadores da casa e da terra, paseniño, fabricando con xeito os alicerces do futuro. "Se os vascos, que teñen un territorio máis pequeno que o noso, poden xogar cos da súa canteira, por que non imos poder os galegos? Temos unha tara ou algo?", preguntábase ao pouco de chegar. Desde aquela, é raro o encontro do filial deportivista ao que non acuda Fernando Vázquez, consciente de que o ano que vén, en Primeira ou en Segunda, a clave será Abegondo. Mentres, apóiase nun dos seus ídolos, Valerón -"para min en moitas cousas é mellor que Zidane", di- na busca do reto máis difícil: conseguir a salvación dun equipo que precisa, polo menos, gañar a metade dos partidos que lle quedan. Pase o que pase, Fernando xa demostrou que está vivo. Quédalle terminar de curar o enfermo. De recaer, o de Castrofeito seguirá sendo o encargado de menciñalo. Nada mellor que este mago para facelo. |
NOS_41951 | A Federación Galega de Comercio calcula que o gasto medio por persoa, sensibelmente inferior ao de 2019, rondará os 200 euros. | O pasado 7 de xaneiro deuse por iniciada a campaña de rebaixas de inverno. As galegas e os galegos chegan a este período de descontos con máis cartos no peto, pero tamén con temor pola situación e incertezas que fan que o consumo se resinta. Segundo unha análise de Fintonic, a taxa de aforro na Galiza aumentou de maneira considerábel en 2020, concretamente 8,5%, o que permite a cidadanía afrontar a 'costa de xaneiro' con máis marxe de gasto. Mais parece que a idea de boa parte da poboación é seguir enchendo o peto polo que poida vir. Así se desprende dos datos que manexa a Federación Galega de Comercio, que estima un consumo por persoa de entre 190 e 200 euros, o que representa entre 40 e 60 euros menos con respecto á campaña de rebaixas de inverno de 2020. O presidente dos comerciantes galegos, Xosé María Seixas, recoñeceu que este gasto "é bastante menos que nas rebaixas anteriores", un feito que atribúe á "incerteza" pola pandemia, aparellada aos expedientes de regulación de emprego temporais (ERTE) e ao paro, o que fará que moitos comercios "sufran". "A xente non sabe que vai ocorrer. Hai dúbidas sobre se se manterán os traballos, se seguirán os ERTE... Cando hai esta incerteza as vendas se retraen. E vese, porque o aforro está a subir", apunta. Os descontos e promocións, que esta tempada se adiantaron máis que de costume pola necesidade de colocar o excedente de produto acumulado polo confinamento e as restricións, serán tamén máis elevados que outros anos. De feito, sinala Seixas, xa se observan anuncios con descontos de 50, 60 e até 70%. Risco para o comercio Con estas campañas tan agresivas, advirte o presidente da Federación Galega, "o comerciante non pode subsistir porque hai que facer fronte aos gastos" e agora chega o momento de "devolver os préstamos" que se destinaron a afrontar a crise. Neste senso, esixe que se volva regular o período de rebaixas xa que, desde que quedou desregularizado, as rebaixas "duran na práctica do 1 de xaneiro ao 31 de decembro", denuncia. "As rebaixas perderon a efectividade que tiñan. Agora é un descontrol, nin o consumidor nin o comerciante se decatan", lamenta Seixas. Outro motivo de preocupación para o sector son as novas restricións á vista da evolución da pandemia que, advirte, "sería nefasto non só para este sector, senón para toda a economía". Neste senso, Seixas lembrou que as restricións da mobilidade dos últimos meses afectaron "moito" ao comercio galego, e apuntou que o endurecemento de medidas relativas a horarios e capacidade podería pór o ramo a uns negocios que xa viron reducida a súa facturación e o volume de emprego. Segundo incidiu, moitas áreas comerciais das cidades e vilas medianas "viven das vendas de xente procedente da periferia". Con todo, destacou a forte aposta do sector polo comercio en liña e por ter unha maior presenza nas redes sociais, unha vía que, recoñeceu, é esperanzadora mais non exenta de problemas, xa que a diversidade de plataformas existentes fai que os comerciantes acaben "loitando uns contra outros", lamentou. |
NOS_40829 | Participan máis de 70 entidades, desde colectivos ecoloxistas e centros de ensino a comunidades de montes; e desenvolverase este domingo, 29 de setembro. | O Proxecto Ríos de Adega leva organizando dende o 2008 a Limpeza Simultánea, una actuación que neste ano afecta 48 concellos e na que participan 70 entidades e colectivos. É un día no cal voluntarios e voluntarias saen aos ríos para recoller o lixo e refugallo que atenta contra a riqueza dos ecosistemas fluviais. "Para que serve? Evidentemente, o obxectivo principal non é limpar… Nun día pouco se fai. O que se limpe está ben; pero trátase de que a xente participe nunha acción de conservación e de que se poña na axenda a necesidade de manter limpos os nosos ríos", manifestación Paco Bañobre, coordinador do proxecto, hai unhas semanas en conversa con Sermos Galiza. Na edición de 2018 participaron 548 persoas que retiraron en ríos de 53 concellos de diferentes partes de Galiza 6 toneladas de refugallos. |
PRAZA_18517 | Portugal contratou o pasado xullo as obras entre Viana e Valença e agora o Goberno central licita a primeira das actuacións necesarias nos oito quilómetros pendentes en terreo galego | Portugal contratou o pasado xullo as obras entre Viana e Valença e agora o Goberno central licita a primeira das actuacións necesarias nos oito quilómetros pendentes en terreo galego O Goberno central vén de licitar coa súa publicación este martes no Boletín Oficial do Estado a primeira dunha serie de actuacións que tiña pendentes para cumprir a súa parte do acordo con Portugal para mellorar a liña de tren entre Vigo e Porto que consiste en electrificar uns oito quilómetros de vía entre a fronteira do río Miño e a estación de Guillarei, ao norte de Tui. En concreto, Adif, a empresa xestora da rede ferroviaria, vén de sacar a concurso, cun prazo máximo de execución de 18 meses, as obras de aumento da potencia da subestación eléctrica da estación de Guillarei para dar servizo a ese novo treito electrificado. Adif explica nos pregos de condicións da actuación que agora saca a concurso que "como consecuencia do incremento da demanda debido á electrificación do treito Guillarei-Tui, así como da interconexión, a través da ponte internacional, coas novas instalacións de electrificación en Portugal, créase a necesidade de aumentar a potencia das subestacións" de Guillarei así como das súas veciñas de Redondela, ao norte en dirección a Vigo, e Sela, ao leste en dirección a Ourense. Son as subestacións máis próximas á fronteira de Tui da liña xa electrificada Vigo-Ourense, da que en Guillarei se desvía a pequena conexión cara a ponte internacional. Detalle da licitación de Adif da mellora da subestación de Guillarei para electrificar o treito de vía ata a fronteira con Portugal O obxectivo das obras tanto en Galicia como en Portugal é reducir os tempos de viaxe, que actualmente dura unhas dúas horas e vinte minutos entre Vigo e Porto Esa actuación agora licitada por 4,6 millóns de euros e un prazo de execución máximo de 18 meses é a primeira obra física que lanza Adif para mellorar ese pequeno treito da súa competencia da liña Vigo-Porto, pero aínda quedan outras pendentes como a instalacións da catenaria, os cables que distribuirán a electricidade aos trens desde a subestación de Guillarei ao longo deses oito quilómetros de vía ata a ponte sobre o Miño, onde conectarán coa electrificación portuguesa. Do outro lado da fronteira, o Goberno portugués contratou o pasado verán a última fase da súa parte dos traballos, moito máis complexos. No seu caso, non só electrificará os 47 quilómetros existentes entre a fronteira de Valença e Viana do Castelo (dese punto cara ao sur as obras xa se iniciaran antes) senón que tamén mellorará varios puntos das vías e mesmo creará unha estación de mercadorías en Valença, actuacións que permitirán que polo seu treito da liña poidan circular trens de mercadorías máis longos que os permitidos en calquera punto de Galicia. As obras do treito portugués entre o Miño e Viana do Castelo, claves para que os trens de pasaxeiros poidan mellorar as súas prestacións e reducir o tempo das actuais viaxes de dúas horas e vinte minutos entre Vigo e Porto que realizan conxuntamente Renfe e Comboios de Portugal, finalizarán a finais de 2020. Desde Fomento e Adif sempre se mantivo que a menor envergadura dos traballos pendentes en territorio galego permitiría chegar a tempo para coordinar a posta en servizo de ambas as dúas actuacións. Deutsche Bahn está pendente de obter autorización para un servizo privado entre A Coruña e Porto que se beneficiaría destas melloras e diversas institucións piden unha actuación de máis calado, a saída sur de Vigo, que mellore aínda máis a liña A electrificación de toda a liña entre Vigo e Porto é unha mellora agardada tamén pola empresa de transportes Arriva, filial da ferroviaria alemá Deutsche Bahn, que está pendente de obter autorización da Comisión Nacional do Mercado e a Competencia (CNMC) para operar entre A Coruña e Porto o primeiro tren privado internacional de pasaxeiros da península. Ademais da electrificación agora lanzada por Adif dos oito quilómetros pendentes entre Guillarei e a fronteira do Miño, hai anos que a crise paralizou un proxecto de moita maior envergadura reclamado por diversas administracións e institucións para mellorar o trazado da liña máis ao norte, entre Vigo e O Porriño, cun gran túnel directo, a coñecida como saída sur de Vigo. Ese subterráneo evitaría o rodeo que actualmente teñen que dar os trens por Redondela, aínda máis ao norte, así como o seu paso polo centro do Porriño, onde hai dous anos un tren descarrilou provocando catro mortos e son frecuentes os accidentes con peóns. |
NOS_37244 | A embarcación conquista o campionato galego, poñendo así fin a tres anos consecutivos de hexemonía da embarcación de Cabo de Cruz. | Tirán reclama o trono de rei do remo en Galiza. A embarcación do Con conquistou este 25 de xullo en augas de Meira o Campionato Galego de Traiñeiras, un título que nos tres últimos anos (2016, 2015 e 2014) fora para Cabo de Cruz. A embarcación barbanzán finalizou terceira, superada por Samertolameu de Meira, anfitrioa da proba na que tomaron parte 15 traiñeiras de diferentes portos do país. Tirán impúxose con contundencia e claridade. Marcou un tempo de 19:27:97, sacando case 11 segundos de diferenza aos segundos clasificados, Meira. Os de Samertolameu fixeron unha regata para tirar de chapeu e amosaron nas augas a calidade e potencia da Liga Galega, que colocou dous barcos entre os cinco primeiros da proba. Cabo foi terceira e o cuarto posto conquistouno A Pobra, que superou a Ares, que compite na elite da ACT. Coa vitoria deste 25 de xullo, Tirán recupera unha bandeira –a de campión galego- que non era quen de ondear desde 2013. Ese ano conquistara o seu quinto campionato galego consecutivo. Na categoría feminina, a vitoria foi para as remeiras de Mecos-Ribeira, que se impuxeron ás de Cabo, Chapela e Perillo. |
NOS_37064 | Nas tardes escuras de Narf e A Rosa d´Adina de aCadaCanto sumarán dous traballos máis arredor de Rosalía de Castro. Súmanse neste ano aos recentes traballos de Najla Shami, Uxía ou o próximo de Tempo Catro. | No claustro da catedral de Tui foi gravado A Rosa d´Adina o segundo disco de aCadaCanto co que o grupo revisita a obra de Rosalía de Castro. Na propia catedral foi onde, nun concerto celebrado o sábado, deron a coñecer o seu novo traballo producido por Músicas de Salitre en colaboración con Música no Claustro, ciclo no que incluíron un concerto que entusiasmou o público. O grupo composto por Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero volve aparecer de forma sorpresiva para cantar a Rosalía nun intenso e novo traballo que se publicará proximamente. Alén de aCadaCanto, tamén Fran Pérez, Narf, ten como novidade un disco dedicado á fundadora da literatura galega contemporánea cando se fan 150 anos da publicación da obra inaugural Cantares Gallegos. Nas tardes escuras, publicado por El Patito Editorial, inclúe doce cancións que o músico constrúe a partir de poemas de Rosalía. Os novos traballos discográficos de Narf e aCadaCanto engádense á obra musical creada arredor da poesía de Rosalía de Castro neste ano especialmente prolífico. Nos últimos meses, despois de Rapoemas nos que Aid leva os seus versos a ritmo de rap, Uxía sorprendeu cun Rosalía pequeniña co que achega os poemas rosalianos á xeración cativa e, nesta pasada semana, a cantante Najla Shami anunciaba a saída de Na lingua que eu falo, a súa particular homenaxe á autora a través dun libro-cd gravado de febreiro a marzo de 2013 en Compostela con temas como "Pasa río, pasa río", "Tecín soia", "Ora en ti penso", "Aló nas tardes" ou "Na lingua que eu falo", ou outros nos que se adentra no universo rosalián como "Quero ver o mar" no que se recrean os derradeiros días da súa vida. Na listaxe de iniciativas novas arredor da poeta atópase a nova de Tempo Catro Rosalía de Castro: Os ollos que falan, unha iniciativa que nace a proposta da Asociación Socio-Pedagóxica Galega a través da Sociedade Cultural Medulio de Ferrol e que verá a luz en breve. |
QUEPASA_527 | En Carballo, a última actualización sitúa o número de casos activos de COVID-19 a son 87 (1 máis ca onte). | Aumentan os casos de covid-19 no concello de Ponteceso. A día de hoxe, o concello de Ponteceso conta con 33 casos activos confirmados de covid-19. Sanidade ten en seguimentos aos afectados, confinados os seus domicilios, e rastrexa os seus contactos estreitos. Dende o Concello se poñen a disposición das persoas afectadas, e fan "un chamamento á poboación para incrementar o distanciamento social e o cumprimento das normas de prevención de propagación do covid-19". Así mesmo lembran a web informativa coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar a información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos. Novas dos últimos gromos 04-09-2020: Camariñas confirma dous casos activos de covid19. 02-09-2020: Miguel Vieito Villar: Medio pasiño atrás 02-09-2020: Novas medidas de restrición para Carballo, A Laracha e Santa Comba 01-09-2020: O gromo de Ponteceso aumenta a 17 casos. 29-08-2020: Laxe suma 3 positivos por coronavirus e o gromo de Santa Comba segue medrando. 27-08-2020: "En Carnota non hai gromo de covid19". 26-08-2020: Confirman 6 novos positivos de coronavirus en Ponteceso: 25-08-2020: O gromo de Santa Comba aumenta ata 28 positivos e o Concello pecha todas as instalacións. 22-08-2020: Xa son 11 os positivos do gromo de coronavirus de Santa Comba. 21-08-2020: Santa Comba confirma 3 novos positivos por coronavirus. 20-08-2020: Confirman 5 positivos no Concello de Ponteceso. 17-08-2020: As 69 probas PCR vinculadas ao brote do camping de Muros dan negativas: 10-08-2020: A empresa cárnica de Baíñas confirma que os 7 casos positivos son asintomáticos e que lle fixo PCRs a todos os traballadores. 06-08-2020: Dous positivos por coronavirus obrigan a pechar unha empresa cárnica de Vimianzo. |
NOS_43995 | Cos votos a favor d@s edís do BNG e d@s concelleir@s que dan soporte ao goberno municipal, a Cámara municipal instará o Goberno español a achegar o preso independentista a unha cadea da Galiza. PP, PSOE e Independentes por Teo (InTeo) rexeitaron a moción presentada pola organización frontista defendendo que a dispersión penitenciaria procura evitar o re-agrupamento "de organizacións terroristas". | O pleno municipal decorrido en Teo esta segunda feira incluía na orde do día unha moción presentada polo BNG "para garantir os dereitos fundamentais do preso Antom Santos Peres". A niciativa, promovida pola plataforma social Que voltem para a casa! tiña por obxecto demandar ao Goberno español o achegamento do preso independentista a unha cadea na Galiza poñendo, desta maneira, fin á dispersión penitenciaria. Antom Santos atópase detido desde 2011 na prisión de Aranxuez, a 665 quilómetros do seu domicilio familiar, unha distancia que podería reducirse de maneira notábel de cumprir a súa condea no centro penitenciario de Teixeiro, evitando --sinala a moción presentada polo BNG-- desprazamentos que supoñen para a familia e amizades percorreren perto de 60.000 quilómetros ao ano e máis de 200 euros ao mes. Embora o portavoz municipal do BNG de Teo, Manuel Anxo Fernández Baz dar leitura íntegra ao texto da moción "para evitar manipulacións como as que levamos escoitando nos últimos días" --sinalou en conversa con Sermos Galiza-- @s nacionalistas foron "acusados de defender o terrorismo" por parte dos grupos municipais do PSdeG-PSOE e PP. "O PP mesmo volveu sacar o tema da moción de condena a Resistencia Galega presentada hai uns meses" e á que "nós nos opuxemos" por se rexeitar "unha emenda na que demandábamos a condena de todos os tipos de violencia", sinalou Fernández Baz. O PSdeG-PSOE defende a "dispersión" Mais a maior sorpresa foi para @s nacionalistas o posicionamento amosado desde o PSdeG-PSOE que "defenderon a dispersión penitenciaria". Unha medida aprobada polo daquela goberno de Felipe González --na década dos '80-- e que segundo a concelleira do PSdeG-PSOE, Uxía Lemos, ten validez porque "evita o re-agrupamento de organizacións terroristas". Desde o BNG lembraron aos demais grupos da corporación municipal que "embora existir unha condena ao preso Antom Santos" --recorrida pola defensa perante o Tribunal Supremo-- na moción defendida no pleno "o que se pedía era o seu achegamento a unha prisión galega" que evite o "dobre castigo que supón" para o propio condenado "a privación de liberdade" e para "a súa familia e amigos" a distancia na que se atopa cumprindo condena. O desarraigo social lonxe da contorna cultural e familiar Así, desde a organización frontista sinalaron que o propio ordenamento xurídico español rexeita este procedemento na Constitución española (artigo 25.2) e na Lei Orgánica xeral penitenciaria (artigo 12) ao orientar as penas privativas de liberdade á "re-educación e re-inserción social", un obxectivo vulnerado se a persoa presa se atopa lonxe da súa contorna social, cultural e, sobre todo, familiar. Malia o rexeitamento do PP, PSdeG-PSOE e InTeo, a moción foi finalmente aprobada e agora será remitida ao Goberno español para o instar a dar cumprimento ao acordo alcanzado pola Cámara municipal. Cuestión duramente criticada desde as bancadas socialistas que coidan, a familia "debe acudir a un xuíz" se entenden que os seus dereitos fican vulnerados polo réxime de dispersión en aras, dixo a edil Uxía Lemos, de "non politizar a xustiza". Para o voceiro municipal do Bloque esta aseveración é "escandalosa vindo do PSOE" e, sinalou, "a xustiza fai cumprir as leis" e estas "apróbanas os Parlamentos". |
NOS_13449 | As e os alumnos Raúl Ríos (Ordes), Eva Sanmartín (Vilalba), Diego Sánchez (Vigo) e Sofía Salgado (Ourense) obtiveron as catro cualificacións máis altas da Galiza. Os seus resultados permitiranlles escoller o grao que queiran, mais non todas as súas preferencias tiñan unhas notas de corte tan elevadas. | As rapazas e os rapaces máis listos da Galiza, ou cando menos aquelas e aqueles que lograron mellores notas na proba de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) e na media co bacharelato, decántanse polas carreiras de ciencias para asegurar o seu futuro. Se hai anos un bo número das notas altas servían para salvar as elevadas ratios de corte de graos vinculados ás letras, hoxe as estudantes de dez (ou case) procuran outras especializacións. É o caso de Raúl Ríos Pampín, Eva Sanmartín Vázquez e Diego Sánchez Pinzón, mentres a cuarta mellor nota da nación, a de Sofía Salgado Pontón, irá parar ás aulas de Dereito de Ourense. ( Despois de decorrer un proceso de exames de acceso á universidade cando menos inusual, a Comisión Interuniversitaria da Galiza (CIUG) vén de dar a coñecer os nomes das alumnas e alumnos que obtiveron as cualificacións más destacadas. Se falamos da mellor nota na ABAU foi a de Raúl Ríos Pampín, que se preparou no IES número 1 de Ordes. Segundo a CIUG, tivo un 9,95 (9,92 co bacharelato). Desta experiencia Ríos destaca que é importante que se saiba de que instituto procede porque, alén de estar orgulloso da publicidade que lle fai a nova, "é unha defensa pola educación pública de calidade: non é preciso ir a un privado para lograr as notas e entrar na carreira que queres". O mozo, que fala como se levase toda a vida traballando a oratoria, recoñece que o desconcertou todo o interese mediático que lle está a chegar. "Sénteste raro e é algo pesado pero pasará", reflexiona. No seu caso, o obxectivo era acceder a un grao de ciencias como Medicina, que ten notas de corte elevadas. Porén, "ía con tranquilidade porque sacase o que sacase podía entrar nunha carreira que me gustase". No caixón levaba Filosofía. O Inglés e as MatemáticasDos días das probas, afirma que foi "máis tranquilo a Inglés" porque leva indo "a unha academia desde pequeno" e pasou "varios veráns en Inglaterra". O maior grao de tensión chegou coas Matemáticas, a Bioloxía e a Química porque eran as que máis contaban para entrar en Medicina. "Non porque non as levase preparadas, senón por se tiña un mal día", aclara. Eva Sanmartín Vázquez, do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, pode presumir de ter a media más alta. No que foron os exames puntuárona cun 9,9 pero o cómputo global foi de 9,96. "Eu esperaba boa nota pero non tan alta", comenta Sanmartín, pois para estudar Bioquímica como pretende non tiña que saltar un obstáculo tan grande. Preparaba os controis desde maio, polo que nos seus plans para o estío entran o descanso "e seguir facendo deporte", porque practica o tríatlon. Dada a exixencia desa modalidade, a moza pensa que "o feito de adestrar e de ter unha disciplina" puido axudar nos estudos pero tamén "axuda na vida". Diego Sánchez Pinzón, do CPR Rosalía de Castro de Vigo, tivo un 9,9 e un 9,768 no que foi o exame e de media. Precisaba boa nota para entrar en Farmacia e dedicou "moito tempo estudando online e na corentena" para ter boas novas da CIUG. Recoñece que "hai xente que traballou máis" pero cando soubo os resultados sentiu "unha gran sorpresa e alivio". As probas de ciencias foron as que máis tranquilidade lle deron. Sofía Salgado Pontón, do IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense, fecha a lista cun 9,85 e un 9,91. "Ía tranquila porque para entrar en Dereito en Ourense chega un cinco pero quería acabar ben o ciclo", afirma. No verán quere divertirse e estudar "para que non se oxide a mente". O núcleo familiar e os institutos O feito de que Raúl, Eva, Diego e Sofía sexan as e os estudantes con mellores notas na ABAU supón tamén unha boa publicidade para os centros de Ordes, Vilalba, Vigo e Ourense nos que estudaron, respectivamente. Até algúns concellos queren sumarse a esa felicidade que vai levar o seu nome polos medios de comunicación da Galiza. A Raúl, por exemplo, o chamaron do concello para felicitalo por ter a mellor nota do que era a antiga selectividade e tamén falou co presidente da Xunta en funcións. |
NOS_37939 | Aberto o prazo de inscrición de webseries para a segunda edición do Carballo Interplay, que este ano contará con sección internacional. O primeiro festival de webseries do Estado desenvolverase do 16 ao 18 de abril en Carballo. | O Carballo Interplay, o primeiro festival de webseries do Estado, ten xa os motores a ferver na preparación da súa segunda edición. Esta semana coñeciamos as datas definitivas desta segunda edición (do 16 ao 18 de abril en Carballo). Dende o luns, 22 de decembro, xa se poden inscribir webseries a concurso, cunha novidade non menor. Este ano poderán participar webseries producidas no estranxeiro, que competirán nunha categoría aparte, o Best International Webseries Award, dotado con 800 euros. Non será a única novidade dun certame que celebrará os dous anos medrando para converterse en festival de contidos dixitais. Aínda que na sección a concurso só poderán participar webseries, o resto do festival, as actividades didácticas, de reflexión, debate e formación, irán moito máis aló. "Este ano poderán participar webseries producidas no estranxeiro, que competirán nunha categoría aparte" "Xa o ano pasado, xente de fóra nos escribía para participar", explica Sonia Méndez, a directora do Carballo Interplay. Tan só un día despois de abrir o prazo de inscrición, xa contaban cunha webserie americana e con outra italiana. Outro dos obxectivos do Carballo Interplay para este ano será, precisamente, reforzar o contacto con outros festivais similares alén as nosas fronteiras, ao longo do mundo. O Carballo Interplay refórzase nunha dobre vocación. Por unha banda, espazo de exhibición, que este ano combinará os produtos de creadoras e creadores galegos e doutras partes do estado, con webseries internacionais. Por outro lado, o contacto entre as e os profesionais do sector. E nesta segunda dimensión, xa comezou a dar os seus froitos. Dos contactos e sinerxias creados na edición de 2013, da enerxía da xente que entón se coñeceu, naceron xa proxectos en común como a webserie "El método sueco", que estrea o seu capítulo piloto este 28 de decembro. Outra das grandes novidades do Carballo Interplay este ano é o seu programa formativo. Do xerme inicial, o curso de webseries celebrado o pasado ano en Carballo no mes de marzo, nas semanas previas ao festival, medraron até desenvolver este ano un programa formativo de varios meses, o FormaCip, nos que participan, como docentes, recoñecid@s profesionais do audiovisual galego. |
PRAZA_15473 | Os empregados públicos perderán a metade do soldo daqueles días soltos que non vaian traballar, aínda que sexan xustificados, segundo unha emenda ao proxecto de Orzamentos que copia as medidas da Xunta. | Os empregados públicos perderán a metade do soldo daqueles días soltos que non vaian traballar, aínda que sexa de maneira xustificada. Segundo adianta La Información, o Goberno vén de introducir no trámite de emendas do Senado ao proxecto de Orzamentos unha cláusula que permitirá ás Administracións reter aos funcionarios medio soldo de cada día que se ausenten do traballo por unha continxencia ou enfermidade que non se converta nunha incapacidade temporal e, polo tanto, que non supere os tres días de baixa. Deste xeito, o Executivo de Rajoy segue a senda marcada por Núñez Feijóo na Lei de Medidas Temporais en Determinadas Materias do Emprego Público de hai cinco meses. O Goberno de Rajoy segue a senda marcada por Feijóo hai cinco meses Naquela reforma legal da Xunta, tramitada pola vía de urxencia, incluíuse unha forte rebaixa nas percepcións salariais dos funcionarios e empregados públicos cando se ven afectados por unha continxencia común que lles impide acudir ao seu posto de traballo con normalidade. Así, por exemplo, cando unha gripe ou outro tipo de enfermidade leve ou un accidente de tráfico sen consecuencias graves os obriga a coller unha baixa ven como entre o primeiro e o terceiro día o complemento por incapacidade queda no 50% se é a primeira baixa do ano, no 40% se é a segunda e, directamente, no 0% se é a terceira. Do cuarto ao vixésimo día este complemento sitúase no 75% tras o recortes e, de aí en diante, no 100%. As baixas por arrefriado ou accidente doméstico non supoñían até o de agora unha redución da nómina dos funcionarios Actualmente, as baixas episódicas por un arrefriado, accidente doméstico ou causas persoais non supoñen unha redución da nómina dos funcionarios, xa que o custo é cuberto na súa totalidade polo pagador, a Administración, independentemente dos días de baixa que se xunten. Na empresa privada, agás excepcións, non adoita acontecer. O Goberno central establecera uns límites segundo os cales do primeiro ao terceiro día de baixa o complemento de incapacidade ten que chegar ao "máximo do 50% das retribucións". Do cuarto ao vixésimo Rajoy outórgaballe liberdade a cada Administración, sempre e cando non superase o 75%. Dende o vixésimo día e ata o nonaxésimo -limiar a partir do cal entran en xogo outras normativas- "poderase recoñecer a totalidade das retribucións básicas, da prestación por fillo ao cargo, no seu caso, e das retribucións complementarias". A Xunta revelárase daquela como unha alumna aventaxada nesta materia, xa que o Estado non restrinxía nin chegaba a eliminar a retribución nos primeiros tres días de incapacidade se non se trata da primeira baixa do ano. Agora, o Goberno de Rajoy decide ir máis aló e copiar o modelo instaurado polo Executivo galego de Feijóo, nunha imitación que non é única. A reforma educativa que prepara o ministro Wert segue, no plano lingüístico, a vía marcada pola Administración galega co seu decreto do plurilingüismo. |
NOS_33163 | Manuel Rivas (A Coruña, 1957) será o segundo autor en galego que recibe o Premio Internazionale de Scritture in Lingua Madre de Ostana. O galardón distingue escritoras e escritores en "lingua materna", linguas de pequenos territorios ou minorizadas. | O Concello, Comune en italiano, de Ostana -situada no Val de Po,en Italia- e mais a asociación cultural Chambra d'OC iniciaron a convocatoria do premio hai once anos. Na primeira edición recibirao Alfredo Conde e en sucesivos anos recaeu en literatos sardos, vascos, curdos, bretóns ou malteses. O certame conta diversas categorías, entre elas a internacional -a que vén de gañar Rivas-, nacional, o Premio pola Lingua Occitana, o Premio Novo, o Especial, o Premio á Composición Musical e o Premio ao Cinema. |
PRAZA_18462 | O alto tribunal español aproba por 15 votos a 13 revogar a doutrina que avalaran tres sentenzas e mantén a postura favorable aos bancos tras frear a aplicación da que daba a razón á clientela HEMEROTECA | O Supremo sume na incerteza a ducias de miles de persoas ao frear a nova doutrina sobre os impostos das hipotecas | HEMEROTECA | O Supremo sume na incerteza a ducias de miles de persoas ao frear a nova doutrina sobre os impostos das hipotecas O Tribunal Supremo anulou este luns a doutrina que avalaran tres sentenzas: que son os bancos, e non os clientes, quen deben pagar o imposto das hipotecas. Os xuíces do Pleno do Contencioso-Administrativo acordaron por 15 votos a 13 que sexan os clientes quen fagan fronte ao Imposto de Actos Xurídicos Documentadose non os bancos. O maxistrado Díez-Picazo entendeu que a sentenza supuña "un xiro radical" con "enorme repercusión económica e social" e tomou a inédita decisión de que o Pleno revisase a doutrina consolidada en sentenzas O presidente da Sala, Luís Díez-Picazo, convocou o Pleno 24 horas despois de que a sección segunda sentenciase a prol dos clientes ao dar a razón á Empresa Municipal de Vivenda de Rivas Vaciamadrid. Os xuíces anularon un artigo da lei que establecía que o Imposto de Actos Xurídicos Documentados debía pagalo o cliente e non o banco. Os maxistrados entenderon que debían ser as entidades quen abonasen o tributo, porque eran as interesadas na realización dese negocio. Pero Díez-Picazo entendeu que esa sentenza -contraria a dúas resolucións anteriores- supuña un "xiro radical" na xurisprudencia que ha provocaba unha "enorme repercusión económica e social" e enviouna a Pleno. Esta era unha decisión inédita, xa que supuña revisar unha doutrina consolidada nunha sentenza, cando o normal é reunir a todos os maxistrados, se é necesario, antes de que se produza o ditame. Billetes de diversos valores / Petr Kratochvil O inicio das deliberacións para a decisión final, este luns, prolongouse durante unhas oito horas e evidenciou xa a profunda división entre os 28 xuíces: dos nove primeiros en intervir, cinco situáronse a prol dos bancos e catro a prol da clientela. Esa división mantívose durante a reunión deste martes, ata que a última hora se produciu a axustada votación. A banca leva dúas semanas inmersa nunha campaña de presión para evitar que o alto tribunal lle fixese pagar ese imposto Os xuíces tiveron estes días sobre a súa mesa tres opcións: que pagase a banca, que o fixesen os clientes con posibilidade de recorrer sobre as hipotecas asinadas no últimos catro anos, ou dar a razón aos clientes pero sen posibilidade de reclamar o xa pago. A banca leva dúas semanas inmersa nunha campaña de presión para evitar que o alto tribunal lle fixese pagar ese imposto. A axencia de cualificación Moody's calculou que, se clientela podía reclamar, os bancos debían afrontar o pago de ata 2.300 millóns de euros. A ministra de Facenda, María Jesús Montero, elevou esa cifra este martes até os 5.000 millóns. |
NOS_30585 | Antidisturbios da policía catalá irromperon no reitorado para deter o rapeiro. | Pablo Hasel xa está en prisión, no centro penitenciario de de Ponent Os Mossos d'Esquadra entraron pola mañá no reitorado da Universidade de Lleida para arrestalol. Ducias de axentes accederon o edificio sobre as seis da mañá e, antes pasadas as oito e cuarto, detiñan o rapeiro catalán. Segundo as imaxes difundidas en redes sociais, un axente leu a orde de desaloxo. Unha trintena de persoas protexeron o rapeiro, aos que a policía antidisturbios retira (están sentados no chan) sen que opoñan resistencia. Hasel estába fechado no terceiro e último andar do reitorado. Preto de 30 axentes bloquearon o único corredor que leva á oficina onde estaba. Os Mossos identificaron a todos os activistas que se retiran do lugar e logo sacáronos do campus, rodeado de ducias de furgonetas da brigada antidisturbios. 'Mort a l'estat feixista' - Pablo Hasel pic.twitter.com/ZRkthIeGIK— Joan Mangues (@jmangues) February 16, 2021 O prazo da Audiencia española para que o rapeiro ingresase voluntariamente en prisión para cumprir unha pena de 9 meses por exaltación do terrorismo rematou a pasada sexta feira. E onte o xulgado rexeitou o recurso para evitar a prisión, como puido confirmar VilaWeb. O avogado de Hasel, Diego Herchhoren, explicou que o rapeiro enfróntase a unha pena de 2 anos, 4 meses e 15 días, xa que acumula varias penas por multas impagadas. "Neste país, cada dous días de multas sen pagar significa un día de prisión", dixo a Catalunya Ràdio. |
NOS_58477 | 30% da superficie forestal galega está ocupada pola árbore australiana. | 350.000 hectáreas están plantadas ilegalmente con eucaliptos na Galiza. A propia Xunta vén recoñecendo esta realidade desde hai anos sen adoptar medidas eficaces para revertela. As consecuencias desta situación fican á vista todos os anos na tempada de incendios. Ten relación a proliferación de eucaliptos coa seca? O Plan forestal galego do ano 1992 permite un máximo de 245.000 hectáreas de eucalipto para 2032. Os datos recollidos no último Inventario Forestal de Especies Produtivas de 2018, elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, cifran en 300.500 as hectáreas de monocultivo de eucalipto e en 121.700 aquelas outras nas que a especie se atopaba presente dalgún modo. Duplícanse as sancións por plantacións ilegais desde a moratoria ao eucalipto Os colectivos sociais e forestais agrupados na plataforma Por un Monte Galego con Futuro incrementan a superficie ocupada polo eucalipto e sinalan que, "a falta de realizarse o novo inventario forestal encargado polo Goberno galego, xa hai voces autorizadas alertando de que esta especie exótica invasora pode ocupar perto de 600.000 hectáreas na Galiza". A extensión de terreo ocupada polo eucalipto representa máis de 30% da superficie forestal galega. 498.279 campos de fútbol Neste sentido, o terreo plantado con esta especie equivale a 498.279 campos de fútbol, supera en máis de 100.000 hectáreas a provincia de Pontevedra e é 195.000 hectáreas inferior á provincia de Ourense. Asemade, a expansión desta árbore é moito máis elevada na Galiza que no ámbito estatal, onde suma 13,8% da masa forestal. Cales son as comarcas galegas con maior produción de eucalipto? A Xunta da Galiza é coñecedora da existencia de plantacións ilegais de eucaliptos. Segundo se recolle no último Anuario de Estatística Forestal da Galiza, elaborado en 2020 pola Consellaría de Medio Rural, entre 2016 e 2019 a Administración galega abriu 506 expedientes sancionadores por plantacións ilegais desta especie. Ao tempo, ten instruído 1.229 procedementos "por cambio de actividade agrícola a forestal ilegal", na súa práctica totalidade nos distritos forestais da Coruña e Lugo, zonas onde é maior a presión do eucalipto. A moratoria ás plantacións do eucalipto naquelas áreas non poboadas por esta especie, até 2025, aprobada pola Xunta da Galiza, ten empeorado a situación. A medida, que entrou en vigor en xullo de 2021 e está recollida Lei de recuperación de terras, acelerou a expansión do eucalipto en zonas onde era descoñecida ao ser anunciada meses antes de entrar en vigor. As plantacións de eucalipto da industria pasteria de Portugal na Galiza aumentan en 131% Neste sentido, o técnico agroforestal Xosé Antonio Meixide cualificou no seu momento esta decisión, en declaracións a Nós Diario de "xesto envelenado precisamente para obter o efecto contrario do que se di pretender. Onde está o problema principal é que a moratoria vai permitir adquirir a condición de eucaliptais a terreos que até agora non a tiñan". As disposicións recollidas no recente Plan forestal galego reforzan esta tendencia. Nese sentido, a plataforma Por un Monte Galego con Futuro sinala que o "plan propón aumentar aínda máis a superficie ocupada por eucalipto malia ter traspasado xa en máis do dobre as previsións para 2030, e en detrimento das masas forestais autóctonas". Un novo modelo forestal na Galiza O enxeñeiro forestal Xabier Bruña considera que "non hai especies boas ou malas, hai xestión forestal boa ou mala e aquí non hai boa xestión forestal porque falla a planificación. Improvísase e xógase a curto prazo cando necesitamos outro tipo de decisións. Precísase dunha planificación participada polo conxunto da sociedade, onde pactemos entre todos e todas cantos eucaliptos precisamos". Bruña defende un novo modelo forestal que xere máis valor engadido. "A Galiza produce 50% da madeira en rolo e 40% da madeira serrada e só representa 13% do volume da facturación e o emprego do sector forestal e 10% do número de empresas forestais do Estado", afirma Bruña, que significa que "a práctica totalidade de eucalipto ou piñeiro que se produce no país destínase a triturar ben para celulosa ou para taboleiro". |
NOS_2285 | Unha campaña pide a protección "efectiva" deses espazos ao tempo que insta a Xunta a que realice unha prospección a fondo dos terreos afectados para estudar a posíbel presenza de arte rupestre e procurar polo miúdo restos paleontolóxicos e arqueolóxicos. | As Covas de Vale, no concello de Baralla, comarca dos Ancares, están ameazadas por un proxecto de explotación mineira. O proxecto foi aprobado pola Dirección Xeral de Minas da Xunta en 2007, en conivencia co goberno municipal, o cal promoveu unha modificación do planeamento para suprimir o réxime protector do solo no que se emprazan as covas, e así favorecer a apertura da canteira. Unhas covas que teñen un importante valor cultural e ambiental e que poderían acoller presenza de arte rupestre e de restos arqueolóxicos. Por iso a campaña que vén de presentar Adega, co apoio de Cultura do País, Mariña Patrimonio e Patrimonio dos Ancares, que co HT #SalvemosCovasVale pide a protección "efectiva" deste espazo. O obxectivo da campaña é, explican os seus promotores, dar a coñecer á sociedade "a ameaza que pende sobre estas cavidades, sobre os seus valores e contorna, ademais de procurar o apoio de todos os colectivos, entidades e particulares preocupados pola preservación do patrimonio cultural e natural de Galiza". En 2015, Adega realizou as primeiras exploracións dos terreos afectados polo proxecto mineiro, detectando até cinco bocas de entrada a varias covas. Paralelamente, encargou un informe sobre os valores naturais da zona, na que identificou a presenza de cando menos seis hábitats de interese comunitario, varias plantas calcícolas moi escasas no territorio galego e unha especie vulnerábel de morcegos. En 2016 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural encomenda a un equipo de arqueólogos da Universidade de Santiago a elaboración dun informe valorativo sobre o potencial interese xeolóxico, arqueolóxico, paleontolóxico e, mesmo, artístico que podían acoller estas covas que ían ser destruídas. O informe, "resultado dunha inspección de campo superficial e limitada ás covas detectadas por Adega", conclúe que estas cavidades e a súa contorna teñen interese cultural e natural, polos seus valores xeolóxicos, pola biodiversidade asociada a este tipo de formacións xeolóxicas e por conter recheos sedimentarios, fundamentais para a reconstrución paleoambiental e coñecemento do Cuaternario galego. O documento tamén advirte da posibilidade de que as covas conteñan restos de grande valor paleontolóxico e arqueolóxico do Plistoceno (de hai máis de 12.000 anos) e que fosen lugar de refuxio ou asentamento humano, incluso, podendo conter representacións artísticas rupestres. Certo é que existen testemuños da veciñanza de Vale que afirman ter visto hai máis de 50 anos pinturas e gravados no interior das covas. |
NOS_41496 | Galiza vén de proclamarse hoxe en Almazán (Soria) campioa estatal de Tríatlon, logo de lograr o triunfo na proba de relevos mixtos. | A proba de hoxe era decisiva, xa que Galiza chegaba como líder, pero só cun punto de vantaxe sobre Andalucía. Esta loita entre os dous equipos viuse reflectida na proba de relevos. Desde o inicio, foi un man a man co grupo andaluz. Os equipos estaban formado por dous mozos e dúas mozas e as distancias eran de 300 metros de natación, 6,7 quilómetros de bicicleta e 2 de carreira a pé. O primeiro relevo galego foi realizado por Melina Alonso, que entregou a testemuña a Alberto Castiñeira na primeira posición, aínda que coa representante de Andalucía moi perto. O galego perdeu esta posición de privilexio e deulle o paso a Camila Alonso na segunda posición, a uns 30 segundos de Andalucía. A continuación, a deportista do Tríatlon Ferrol fixo unha gran remontada e recuperou o primeiro posto, para entregar a testemuña a Abraham Castellanos, situado de primeiro cuns poucos segundos de vantaxe. Castellanos deu o máximo nesta derradeira quenda e logrou aumentar a distancia para garantir o triunfo e o título para Galiza no Campionato estatal de Tríatlon. Desta forma, tal e como informa a Federación Galega de Tríatlon, Galiza proclamouse campioa co triunfo nas probas da categoría feminina e de relevos mixtos, mentres que logrou a terceira posición na categoría masculina. O podio definitivo quedou formado por Galiza como campioa, Andalucía na segunda posición e Madrid, na terceira. |
NOS_47919 | Advirten da situación "agónica" na que se atopan. | Nunha concentración convocada polos sindicatos UXT, CC.OO. e GIG diante da entrada principal do estaleiro, o presidente do comité, Sergio Gálvez, lamentou que non se lles comunique "nada" das reunións que as diferentes partes están a ter. "Os tempos que manexamos agora son de urxencia. Necesitamos que dunha vez por todas se empecen a construír os barcos e que no tempo que estamos a perder, que é un tempo precioso, póidase sacar a obra adiante", reivindicou Gálvez. "A partir de aí imaxínome que o tema do consello de administración e a propiedade irá máis lento, pero entendemos que se acabará tomando unha decisión", engadiu. Neste sentido, pediron á Xunta "que se implique dunha forma máis eficiente", porque, ao seu xuízo, "non ten ningún tipo de présa". Con todo, os traballadores están a vivir "situacións dramáticas" xa que en "poucos meses" hai 1.000 empregados na rúa. Tamén aproveitou para indicar que o 19 de novembro desenvolverán unha manifestación que sairá ás 11,00 horas do estaleiro e circulará até a delegación do Goberno galego en Vigo, no Arenal. Pola súa banda, esta quinta a CIG apoiou a concentración convocada polo tres sindicatos. No entanto, esta organización sindical tamén desenvolveu a súa propia manifestación até a delegación da Xunta. Neste sentido, o secretario comarcal da CIG en Vigo, Alberto Gonçalves, explicou que a súa organización pretende "dar un golpe na mesa" e "ir para adiante", pero insistiu en que "está de acordo na unidade" sindical, por iso tamén apoiou a concentración previa. Criticou a "morte anunciada" de Vulcano e a "mala xestión de Barreras" debido á "falta de capacidade" do empresariado. Por todo iso, repetiu a súa petición de que o sector público se faga cargo do estaleiro. Na mesma liña falou o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, quen sinalou que a comarca de Vigo "non se pode permitir" que desapareza o sector naval, polo que pediu á Xunta "compromisos reais e efectivos" e insistiu en solicitar que a ría de Vigo "pode e debe ter un estaleiro público". |
NOS_50213 | A falta de compromiso e medidas reais do Goberno central e da Xunta de Galiza cos gandeiros e gandeiras augura o éxito da convocatoria de mobilización para esta segunda feira en Compostela, que volverá ser atravesada por milleiros de tractores. | Despois de pasar polas principais comarcas gandeiras de Galiza, a campaña de mobilizacións do sector leiteiro recala os próximos tres días en Compostela. Coincidindo coa xuntanza do Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea, fontes da Plataforma galega en defensa do sector leiteiro informan de que os tractores están chamados a se concentrar na explanada de Salgueiriños ás 11h, para facer un percorrido ao longo da cidade a partir das 12h. As rúas que atravesará a tractorada son S. Caetano, Avda. Castelao, Vista Alegre, Salvadas, Galeras, S. Lorenzo, Mestre Mateo, Romero Donallo, Hórreo, Avda. de Lugo, Rodríguez de Viguri, Camiño Francés, Irmandiños e de volta para Salgueiriños. As zonas próximas ás áreas comerciais acubillan a mobilización do día 8 As zonas próximas ás comerciais de Fontiñas e das Cancelas acollerán os gandeiros e gandeiras da terza feira (8 de setembro). A partir das 12h, os e as participantes concentraranse nas rúas que rodean estes centros comerciais e farán un reparto gratuíto de leite. O día 9, contra as 12h, a protesta trasládase ás rúas lindeiras ao edificio da Xunta de Galiza, en San Caetano. Ás 16h, terá lugar na Praza Roxa outro reparto gratuíto de leite. Gran mobilización o día 10 O día 10 de setembro (quinta feira) terá lugar a gran mobilización a pé, que partirá ás 12h desde Salgueiriños até San Caetano. A vaga de mobilizacións do sector leiteiro conclúe a quinta feira en Compostela, pois é a data límite fixada pola ministra de Agricultura para chegar a un acordo cos gandeiros e gandeiras. Con estas mobilizacións, as e os produtores lácteos tratan de esixirlle ao Goberno central e á Xunta de Galiza medidas que contribúan para impedir a venda do leite a prezos inferiores do custo de produción. Están en xogo, segundo a Plataforma galega en defensa do sector leiteiro, milleiros de explotacións gandeiras e a economía de milleiros de familias. O Ministerio de Agricultura ten marcado como prezo de rendibilidade do litro de leite nos 36 céntimos, prezo que dista do que se paga actualmente en Galiza, onde oscila entre os 20 e os 27 céntimos. |
NOS_32592 | Cando a fachada, teito e cuberta teñen un tratamento especial ou cando un material cobre todo o edificio, nese momento en arquitectura fálase de "pel". Aquilo que envolve os edificios e que pode ter múltiples formas, texturas e cores. Esa é unha das especialidades do estudio Santos Mera. | As persoas estamos envoltas por unha capa que nos rodea por completo: a pel. Esta protéxenos do frío, da chuvia e recobre o noso interior. Nos edificios sucede o mesmo. Agora as arquitectas e os arquitectos poden pensar no exterior do edificio como se fose un órgano máis. Por mor da tecnoloxía, fachada, chan e cuberta poden ser do mesmo material, cousa antes impensábel. Na arquitectura tradicional, cada elemento só se podía facer dun número moi limitado de materiais, por exemplo: todas as cubertas eran de tella, ou dependendo da zona, lousa. A industria da construción ofrece múltiples materiais, cores e texturas para facer unha cuberta e fachadas. Na actualidade, a limitación atópase na imaxinación de quen deseña o edificio. Os arquitectos José Jorge Santos e José Carlos Mera teñen unha longa traxectoria experimentando con diferentes tipos de peles. A andaina do seu estudio comeza xusto co estoupido da burbulla inmobiliaria, hai 12 anos xa. Antes, Santos formaba parte do estudio Cid, Santos e Parga no que Mera comezou a colaborar en 2004. Coa disolución da sociedade ambos decidiron formar un novo estudio na cidade de Pontevedra con outro enfoque. Dadas as circunstancias e tamén por decisión propia, traballan dun xeito moi persoal, normalmente pequenos proxectos e cun trato moi próximo co cliente. Entre ambos reparten todas as tarefas. Defínense como un "taller de arquitectura" máis que como un estudio. Destaca da súa obra o heteroxénea que é. Alén de certos elementos comúns, non teñen medo á experimentación e a probar cousas novas, cada obra para eles é unha oportunidade de investigar. Mais tamén hai temas recorrentes, un deles, as peles. "Xogamos coa envolvente dos edificios. Buscamos a permeabilidade entre interior e exterior. Traballamos os ocos integrados na fachada. Así, deseñamos edificios cambiantes, con diferente imaxe de día e de noite, dependendo de onde provén a luz", din. Debido á limitación económica dalgúns proxectos, a experimentación ás veces vese moi limitada e recorren á cor. "Temos moita relación coa cor. Ten moito que ver cos orzamentos moi limitados cos que traballamos. A cor permítenos modificar os espazos, amplialos ou reducilos. Ás veces empregámola na pel exterior e fíltrase cara ao interior", explican. Cando teñen orzamentos máis folgados aparece tamén a cor, xa que forma parte do seu selo. Envolvente cálida A nova sede en Pontevedra do Colexio de Veterinarios representa moi ben os puntos fortes dos arquitectos. O local atopábase nos baixos dun edificio que conta cunha zona verde fronte a el. Toda a fachada acristálase para obter a maior luz natural, e así tamén, introducir o verde no interior. Por dentro, deseñaron unha pel de madeira de faia que envolve todos os espazos: percorre o teito, onde camufla as instalacións e integra a iluminación; separa as estancias, mediante celosías permeábeis á luz; e tamén se emprega no chan. A faia proporciona calidez ao local e ten propiedades que melloran a acústica do espazo. Para realzar a madeira usaron a cor. Gris e branco, neste caso, contrastan co material natural. De noite, a transparencia do local vólvese un reclamo do colexio, posto que a luz que emana do interior ilumina a rúa. Ademais dun espazo cálido e acolledor, o colexio profesional debía albergar diferentes usos, especialmente importante foi o auditorio/aula de formación, polo que debía ser versátil. A estratexia seguida polos arquitectos foi organizar o local como se dun casal se tratase. Os espazos fechados e abertos suxiren a mesma relación que as casas e rueiros dunha aldea. Os teitos de formas triangulares axudan a recrear os perfís dos tellados das casas. Así, o local desenvolve as diferentes actividades dentro do seu propio mundo interior. Na mesma cidade rehabilitaron unha vivenda tradicional que tamén contiña outro pequeno mundo interior. A casa mercada polos clientes posuía unha horta, un luxo no centro da cidade. A vivenda mantiña unha fachada en bo estado pero o interior fora maltratado en diversas reformas. Optouse polo baleirado e por facer un novo planeamento respectuoso coa historia da casa. Ademais, a parella propietaria desexaba que a súa vivenda seguise os preceptos do feng shui chinés. O deseño foi unha suma da tradición local, coas ideas orientais e o enxeño dos arquitectos. A maior dificultade do proxecto foi a de paliar a falta de luz: para solucionalo abriron novos ocos en cuberta. O sol atravesa a cuberta e a través dun ocos abertos nas plantas superiores chega até a planta baixa, onde se atopa a zona principal da casa. Todos os espazos están concibidos para permitir a fluidez interior, seguindo os preceptos orientais. Anacos da paisaxe Diferente ao planeado en Pontevedra foi o proxecto dunha vivenda en Poio. A parcela da que dispuñan era moi difícil: era estreita e pequena, con moita pendente e nun terreo rochoso. O único que se podía aproveitar eran as vistas á illa de Tambo. O que buscaba a familia era desfrutar da parcela, polo que a vivenda é pequena para aproveitar ao máximo o terreo. A estratexia de Santos Mera consistiu en situar as estancias ao redor dun patio con vistas á illa. Ademais, a casa apoiouse sobre un socalco existente. Os volumes da casa concaténanse no terreo ao tempo que baixan por el, para non perder a relación co chan. Esta forma estreita e alongada permítelle adaptarse ben á parcela. O traballo desenvolvido coa pel deste proxecto foi buscar un bo illamento continuo exterior. Empregaron un sistema de illamento térmico tanto na fachada como na cuberta, xerando un volume branco continuo, que se integra no contexto mais dun xeito contemporáneo. O estudio conta cun bo número de intervencións en campos de fútbol do concello de Pontevedra. O deseñado en Campañó está emparentado coa vivenda de Poio, posto que ten puntos en común. As pezas que precisaba o campo eran unhas bancadas, vestiarios e servizos. Por condicionantes urbanísticos, obrigáronlles a colocalas en liña de costas á entrada. Para non xerar unha barreira fixeron un volume fragmentado pero que se entende tamén como un todo. É atravesado por unhas rúas que dan acceso ao campo, e cara a estes baleiros ábrense e obteñen luz os vestiarios. A pel do edificio está composta por taboleiros de madeira-cemento, tanto en cuberta como en fachada, un material que resiste ben a intemperie. Cara aos rueiros, a pel dos vestiarios é de malla metálica, que deixa pasar a luz pero protexe a intimidade das xogadoras e xogadores. A peza máis singular é unha pequena bancada que está en continuidade con toda a intervención. |
NOS_27753 | A factoría de armas da Coruña encamíñase cara ao seu peche, co despedimento dos 180 traballadores. O cadro de persoal exixe da Xunta maior presión. Esta cuarta feira, novas mobilizacións perante o portazo de General Dynamics ás negociacións. | General Dynamics, a multinacional propietaria da factoría de armas Santa Bárbara Sistemas, anulou a reunión prevista para hoxe cos sindicatos. Desde a compañía norteamericana sinalan que a respecto do ERE non hai nada que falar. E esta sexta feira finaliza o prazo para os operarios se acolleren a prexubilacións e baixas incentivadas (que serán superiores aos do ERE de extinción). Ante este portazo ás negociacións, o cadro de persoal convoca para esta cuarta feira unha mobilización contra o peche da factoría. Aliás, esixen da administración maior implicación no problema, pois entenden que non está a presionar dabondo, tendo en conta que ministerio de Defensa é o principal cliente de GD e tamén o seu principal acreedor. General Dynamics European Land Systems quer pechar neste 2013 a factoría de armas coruñesa de Santa Bárbara. Unha decisión que implica o despedimento dos seus 180 traballadores. Esta medida adóptase, indican desde a General Dynamics, no marco do proceso de reestruturación que implica o peche de varias factorías no Estado español e un ERE para 700 operarios. Desde os traballadores, demandan á Xunta de Galiza que aposte pola diversificación da produción industrial e garanta o mantemento da factoría no caso de que General Dynamics teime en abandonar a súa produción en Galiza. Exixiron das administracións galega e española "o mesmo compromiso político" que o amosado coas factorías da empresa estadounidense en Murcia e Castela-León. |
NOS_22866 | O 1,42% da poboación galega atópase agora en nivel máximo. Outros 21 municipios pasan a nivel alto, mentres que 41 localidades atópanse agora en nivel medio. | Desde este sábado os concellos que se atopan en nivel máximo de restricións pola Covid-19 serán Monforte de Lemos, Ordes e Melide. Estas medidas aprobáronse a pasada terza feira polo comité clínico e autorizadas polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). Desta maneira, o 1,42% da poboación galega atópase agora en nivel máximo. En nivel alto permanece outro 4,17%, os habitantes de 21 concellos: Agolada, Lalín, A Cañiza, Arzúa, O Pino, Trazo, Curtis, Cee, Ares, Cerceda, Muxía, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei, Vilalba, A Pastoriza, Castro de Rei, Meira, O Saviñao, A Pobra de Trives e Viana do Bolo. Lembremos que nestes dous niveis, ademais, as reunións, tanto en espazos fechados como ao aire libre, sexan de uso público ou privado, quedarán limitadas aos grupos constituídos exclusivamente por persoas convivintes entre as 1,00 horas e as 6,00 horas da mañá. Os outros niveis No nivel medio hai 41 municipios, 14 menos que a semana anterior, o que se traduce en pouco máis do 33% da poboación da Galiza, concretamente a veciñanza da Coruña, Arteixo, Aranga, Betanzos, Boimorto, Camariñas, Cabana de Bergantiños, Carballo, Corcubión, Ferrol, Fisterra, Frades, Muros, Noia, Malpica de Bergantiños, Santa Comba, Santiso, Tordoia, Oleiros, Oza-Cesuras, Ponteceso, Zas, Bueu, Gondomar, Redondela, Nigrán, Sanxenxo, Silleda, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Baralla, Chantada, Cospeito, Lugo, Outeiro de Rei, Taboada, O Barco de Valdeorras, A Rúa, Ourense e Verín. Nun contexto cos indicadores á baixa, as cidades de Pontevedra, Vigo e Compostela tamén alixeran as súas restricións, ao pasar de nivel medio a medio baixo, o que é actualmente máis flexíbel. Neste rango atópanse agora gran parte dos municipios galegos, o 80%, ou, en termos poboacionais, algo máis de 1.600.000 habitantes -o 60% da poboación-. |
PRAZA_11620 | En resposta ao Eixo Atlántico, Infraestruturas de Portugal nega anulación de obra ningunha e asegura que a Linha do Minho estará preparada para que en 2021 xa poidan circular trens eléctricos ata Galicia | De Vigo ao Porto nun tren eléctrico que xubile de vez os vellos Celta. É o escenario no que traballa o Goberno de Portugal, que en resposta ao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular -a organización que agrupa concellos galegos e do norte portugués- vén de ratificar os "primeiros meses de 2021" como horizonte para o remate definitivo da mellora desta liña ferroviaria, que ten como parte fundamental a súa electrificación.En resposta ao Eixo Atlántico, Infraestruturas de Portugal nega anulación de obra ningunha e asegura que a Linha do Minho estará preparada para que en 2021 xa poidan circular trens eléctricos ata GaliciaAnte as "noticias aparecidas en medios portugueses sobre atrasos e anulación de obras na Linha do Minho", a entidade que agrupa gobernos locais de ambas beiras da raia dirixiuse a través do seu secretario xeral ao presidente de Infraestruturas de Portugal, António Laranjo, para aclarar o estado das obras. Laranjo respondeu por escrito hai poucos días subliñando que a "modernização da Linha do Minho será uma realidade" e que, unha vez asumida a demora xa coñecida -2019 fora o ano de referencia, inicialmente-, nada impedirá o remate para 2021."Todos os investimentos previstos para a Modernização Linha do Minho entre Nine e Valença/Fronteira serão concretizados", di o comunicado, en referencia aos traballos pendentes fundamentalmente de Viana do Castelo á ponte internacional sobre o Miño. Non existe "qualquer anulação ou alteração de objeto de contrato" das obras, subliña a empresa pública portuguesa, que lembra que dende o pasado xullo xa está en servizo "a circulação ferroviária com tração elétrica no troço entre Nine e Viana do Castelo".No que atinxe aos traballos actualmente en curso, Infraestruturas de Portugal aclara ao Eixo que non prevé novas demoras. Así, na "eletrificação e execução de novas estações técnicas (com comprimento de 750 metros, para comboios de mercadorias) no troço Viana do Castelo-Valença tiveram inicio em 30 de julho de 2018" e o seu remaeto está previsto para "o cuarto trimestre de 2020". Neste tempo, aclara, desenvolveranse "ensaios finais para a para emissão da certificação de interoperabilidade e entrada ao serviço"."Início da circulação ferroviária em modo elétrico será possível nos primeiros meses de 2021", asegura a resposta á entidade que agrupa concellos galegos e portuguesesNo referido, especificamente, ao "início da circulação ferroviária em modo elétrico", Infraestruturas de Portugal asegura que "será possível nos primeiros meses de 2021" momento no que só dependerá "dos operadores ferroviarios", isto é, das empresas públicas Comboios de Portugal e Renfe. Tamén da privada Arriva, que ten en marcha os trámites para o seu servizo de tren privado e que, en última instancia, desexa unir con tren eléctrico A Coruña con Lisboa.Na súa resposta o Eixo Atlántico, Infraestruturas de Portugal explica tamén que ten actualmente en marcha os os trabalhos de implementação de sinalização eletrónica no troço Nine- Viana do Castelo- Valença/Fronteira, cuja colocação ao serviço se prevê que ocorra no 1º trimestre de 2021". Ficará para máis adiante outra parte dos traballos de modernización, a supresión de pasos a nivel, que estarán en marcha ata finais de 2023, segundo a mesma resposta ao Eixo.No que atinxe á parte competencia do Ministerio de Fomento de España, na beira galega do Miño, as melloras tamén están en marcha e suman uns 30 millóns de euros. Ademais da electrificación, aplícanse tamén melloras de seguridade. Entre as actuacións, como informou Praza.gal, destaca a que implica dicir adeus ao teléfono como medida de seguridade para evitar choques de trens entre Tui e Valença e a súa substitución polo sistema automático de detección convois habitual na maioría da rede ferroviaria. |
PRAZA_17608 | CON VÍDEO Francisco José Garzón, moi emocionado, tivo que ceder ao secretario da comisión a lectura da súa intervención inicial, na que salientou que a tecnoloxía debía evitar o seu previsible erro humano, polo que está imputado Vítimas de Angrois no Congreso: "Houbo unha cacería do Goberno ao maquinista" Renfe rexeita as críticas de vítimas de Angrois polo seu maltrato tras o accidente O interventor xustifica a chamada do despiste | Vítimas de Angrois no Congreso: "Houbo unha cacería do Goberno ao maquinista" Renfe rexeita as críticas de vítimas de Angrois polo seu maltrato tras o accidente O interventor xustifica a chamada do despiste Pedindo perdón ás vítimas. Así pretendía iniciar e finalizar este mércores a súa intervención na comisión de investigación no Congreso sobre o accidente de Angrois o maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, na que foi a súa primeira comparecencia pública en cinco anos tras ser posto en liberdade polo xulgado uns días despois do sinistro imputado por 80 homicidios por imprudencia. Porén, moi emocionado, as bágoas impedíronlle ler a intervención que levaba escrita e tivo que facelo o secretario da comisión. Foi na quenda de preguntas, moitas das cales rexeitou contestar, cando o propio Garzón si puido verbalizar entre bágoas a maior das súas desculpas aos pasaxeiros: "Prefería ter morto eu a un deles se con iso se evitaba unha morte". Francisco José Garzón, moi emocionado, tivo que ceder ao secretario da comisión a lectura da súa intervención, na que salienta que a tecnoloxía debía evitar o seu previsible erro humano, polo que está imputado Acompañado do seu avogado, como ten dereito todo comparecente que estea imputado nunha causa xudicial, Garzón amosouse derrubado. Despois do accidente, estivo de baixa varios meses e foi posteriormente recolocado por Renfe nun posto nos talleres da empresa na Coruña, onde segue a vivir con discreción, pero sempre afectado polo sinistro do que foi protagonista, segundo salientan os seus amigos. Malia que na actualidade na causa xudicial hai outras seis persoas imputadas, na súa intervención escrita lida este mércores polo deputado galego de En Marea Antón Gómez-Reino como secretario da comisión, Garzón criticou que o Goberno o apuntase a el desde o primeiro momento tras o que considerou un "accidente anunciado" e salientou que a tecnoloxía debía evitar o seu previsible erro humano. Garzón si puido verbalizar entre bágoas a maior das súas desculpas aos pasaxeiros: "Prefería ter morto eu a un deles se con iso se evitaba unha morte" A intervención de Garzón no Congreso produciuse tras as comparecencias iniciais estes martes e mércores de varias vítimas, que criticaron o que denominaron "cacería do Goberno ao maquinista" para tentar esconder outras responsabilidades, que elevaron ata os ex-ministros José Blanco, Ana Pastor e Rafael Catalá. El, pola súa banda, amosoulles na súa intervención escrita "a miña solidariedade fraternal, e unha vez máis pídolles perdón e agradézolles profundamente a actitude e comprensión que demostran cada día cara á miña persoa, moitas grazas de todo corazón". No accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013 Garzón despistouse tras recibir unha chamada do interventor do convoi e non freou a tempo antes da curva de Angrois. Nin nas vías nin no tren había activo ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase ese previsible erro humano. Nas vías o sistema de control constante da velocidade (ERTMS, o propio do AVE) recortárase en 2010 e a bordo dos Alvia desconectárase en 2012, decisións polas que están imputados, entre outros, os directores de Seguridade na Circulación de Adif e Renfe, Andrés Cortabitarte e Antonio Lanchares. A chamada que fixo para avisar do accidente na que asume a responsabilidade pero da que se ocultou a parte na que di que xa avisara do risco da curva "foi filtrada á prensa en tan pouco tempo que só podía dispoñer da gravación Adif e o Ministerio de Fomento" Malia esas reducións de seguridade, diversos cargos do Goberno popular do momento apuntaron de xeito inmediato cara ao maquinista. Como el mesmo lembrou este mércores, a súa chamada inmediatamente posterior ao accidente para avisar do mesmo ao centro de control "foi filtrada á prensa en tan pouco tempo que só podía dispoñer da gravación Adif e o Ministerio de Fomento". Nela Garzón recoñece o seu despiste e responsabilidade directa no descarrilamento, pero tamén, e esa segunda parte tardou máis en coñecerse, engadía que el mesmo xa advertira "que un día ía pasar, que somos humanos e que xa llo dixera ao de seguridade", segundo lembrou este mércores. A negativa dos grupos maioritarios este mércores a reproducir esa gravación nesta sesión da comisión provocou unha breve interrupción da sesión cando o deputado de ERC Gabriel Rufián empezou a reproducila co seu teléfono móbil. O maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, emocionado durante a súa comparecencia no Congreso Garzón criticou que tras o accidente se puxese como exemplo de que "me encantaba correr cos trens" unha fotografía do seu Facebook, que a propia Policía presentou no xulgado, cun velocímetro indicando 200 quilómetros por hora Igualmente, Garzón criticou na súa intervención escrita que tras o accidente se puxese como suposto exemplo de que "me encantaba correr cos trens" unha fotografía do seu Facebook, que a propia Policía presentou no xulgado como proba, cun velocímetro indicando 200 quilómetros por hora que fora tirada meses antes, nunha viaxe de formación na que conducía outro maquinista. "Unha velocidade de 200 para un tren de alta velocidade é normal, como é normal 300 ou máis", salientou. Son velocidades, dixo, ás que están obrigados a ir. Tamén se referiu o maquinista ao seu traslado do hospital á comisaría de policía de Santiago tres días despois do sinistro porque "o ministro do Interior visitaba Santiago, e parece que era importante que na súa rolda de prensa puidera dicir que tiñan detido o maquinista" malia que el mesmo xa asumira a súa responsabilidade. Garzón salientou que o seu despiste debeuse á chamada do interventor do tren que recibiu no seu teléfono corporativo, "e estaba obrigado a responder esa chamada". Esa chamada telefónica provocoulle, dixo, unha "pérdida de consciencia situacional, non voluntaria, causada por unha das variadas tarefas profesionais propias dun maquinista". Esa situación, engadiu, "é imprevisible para as persoas, pero deben ser previsibles para as organizacións". "A tecnoloxía existente permite controlar eses riscos e evitar accidentes deste tipo", engadiu máis adiante. Risco previsible e previsto O maquinista reiterou que, como recolle o seu expediente, ninguén reforzou a súa formación sobre a curva de Angrois despois de que outro condutor alertase un ano e medio antes do sinistro do risco que alí existía Que o risco da curva de Angrois era previsible, como o propio Garzón dixo na súa chamada tras o sinistro, xa o evidenciara un ano e medio antes do accidente un maquinista xefe, que alertara por escrito de que nesa curva podía ocorrer un sinistro como o que sucedeu. "Tratouse de xustificar que as medidas adoptadas despois dese avisto foi incrementar a formación dos maquinistas", lembrou Garzón. "Debo dicir que, polo menos no meu caso, iso non é certo", engadiu, e lembrou que o seu expediente formativo por parte de Renfe non recolle nada ao respecto tras aquela advertencia. A intervención escrita e lida por outro de Garzón rematou pedindo aos deputados "que vostedes determinen claramente as causas, mediatas, inmediatas e subxacentes do accidente, as vítimas meréceno, a seguridade do ferrocarril tamén, pois non pode estar baseada exclusivamente na actuación de humanos, e os profesionais non poden traballar arriscando a súa vida e a dos seus viaxeiros". Declaracións xa feitas ante o xuíz Garzón rexeitou responder a varias preguntas dos grupos salientando que todo o que podía dicir sobre o sinistro xa llo comunicou ao xuíz instrutor nas varias ocasións en que declarou ante el Na quenda de preguntas dos grupos, nas que recibiu diversas mostras de apoio persoal, Garzón deu respostas moi curtas salientando que todo o que podía dicir sobre o sinistro xa llo comunicou ao xuíz instrutor nas varias ocasións en que declarou ante el. Foi nesas respostas cando Garzón volveu pedir perdón aos pasaxeiros do tren: "Prefería ter morto eu a un deles se con iso se evitaba unha morte". Noutro momento da súa intervención Garzón chegou a pedir "pasar desapercibido" lembrando que levaba "cinco anos de anonimato" e que con esta comparecencia deixaría de telo. As vítimas e varios grupos non entenden que poden achegar o maquinista e o interventor a unha comisión que avalía as responsabilidades políticas A comparecencia de Garzón produciuse a petición do PP, que segue a colocar nel toda a responsabilidade do sinistro e cuxo deputado Celso Delgado foi o que máis preguntas técnicas formulou este mércores tras asegurar ata o de agora que a investigación importante é a que se realiza no xulgado. As vítimas, pola contra, non entenden que poden achegar tanto el como o interventor do tren, citado polo PSOE, a unha comisión que avalía as responsabilidades políticas do sinistro. O mesmo expresaron este mércores varios grupos parlamentarios. Antes do maquinista e o interventor, na mañá deste mércores compareceu tamén no Congreso a directora da oficina de atención a vítimas de Renfe, que rexeitou as críticas de afectados do sinistro polo seu maltrato tras o mesmo. |
NOS_5004 | Por cobros incorrectos do IAE entre 2009 e 2019. O alcalde, que di estar "decepcionado" coa empresa, afirma que esa cantidade "é case o orzamento municipal dun ano, teriamos que recortar e rescindir servizos". | Reganosa demanda nos xulgados 6 millóns de euros ao Concello de Mugardos por cobros incorrectos do imposto de Actividades Económicas (IAE) no período entre 2009 e 2019. Unha noticia que o propio alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus (PP), abordou nunha entrevista na Cadea ser-Ferrol, onde recoñeceu estar "decepcionado" coa actitude da empresa. O rexedor indica que o Concello limitouse a cobrar a Reganosa o que estipula o propio Estado e incidiu en que a cantidade que pide a empresa, seis millóns de euros, é "case o orzamento municipal dun ano". Así pois, de ter que pagala, avisou o alcalde de Mugardos, isto implicaría ter que "recortar e rescindir servizos". Porén de Deus xa adiantou que "non imos pagar un céntimo até que un xuíz nolo ordene". "Pagarían en Mugardos sobre 150.000 e o resto (por volta de 300.000 euros)" en Madrid. É difícil de entender, ten que tributar onde está asentada e onde fai a súa actividade" "Sorprendido" e "decepcionado" son as palabras que o rexedor emprega para falar da actitude de Reganosa nesta cuestión. "Todos os Gobernos [locais] intentamos que a planta tivese actividade e agora pásannos esta factura", lamentou. "Reganosa optou por presentar un contencioso administrativo contra o Concello". Pagar en Madrid Segundo o propio xefe do Goberno Local manifestou nesa entrevista, Reganosa mesmo quere pagar en Madrid parte do IAE e non en Mugardos. "Pagarían en Mugardos sobre 150.000 de IAE e o resto (por volta de 300.000 euros)" en Madrid. É difícil de entender, ten que tributar onde está asentada e onde fai a súa actividade". Reganosa é un ente público privado no que a Xunta é un dos accionistas de peso. "Falei coa Xunta e expúxenlle todo isto. Creo que debe mediar". |
PRAZA_17812 | A formación leva ao Parlamento a situación vivida por doentes e familiares no Hospital Provincial de Pontevedra, cualificada de "inhumana, terceiromundista, inexplicábel, insoportábel" pola deputada Montse Prado, que asegura que nalgúns casos se acadaron os 35 graos | Durante a vaga de calor que se viviu a pasada semana en Galicia, no interior do Hospital Provincial de Pontevedra superáronse os 30 graos de temperatura, segundo denuncia o BNG. A formación anunciou que levará o tema o Parlamento, a través dunha iniciativa presentada pola deputada Montse Prado, que cualifica a situación que doentes e familiares tiveron que padecer como "inhumana, terceiromundista, inexplicábel, insoportábel". Prado subliñou que nalgúns lugares do centro sanitario chegaron a acadarse os 35 graos. Montse Prado afirma que "foron os propios familiares os que mercaron equipos de refrixeración para tentar aliviar a situación, xa que na maioría das habitacións só dispoñen de ventiladores que non resolven o problema das temperaturas tan elevadas" A portavoz de sanidade do BNG sinala que nalgúns casos "foron os propios familiares os que mercaron equipos de refrixeración para tentar aliviar a situación, xa que na maioría das habitacións só dispoñen de ventiladores que non resolven o problema das temperaturas tan elevadas". "Estamos a constatar que diante dunha vaga de calor, da que se tiña coñecemento, a Dirección do CHOP non tomou todas as medidas precisas para protexer nin aos doentes nin ao persoal", dixo Prado, para quen "resulta evidente" que "os doce equipos de refrixeración instalados hai un ano para todo o hospital son insuficientes". A deputada lembra que no centro hospitalario permanecían ingresados e ingresadas pacientes de obstetricia, neonatos, pediatría, urxencias pediátricas, coidados paliativos, oncoloxía, xinecoloxía, medicina interna, nefroloxía, diálise, odontoloxía, oftalmoloxía ou psiquiatría. Polo tanto, as altas temperaturas foron soportadas tamén por nenos e nenas, persoas de avanzada idade ou con tratamentos oncolóxicos ou paliativos. O BNG denuncia que a situación se vén repetindo dende hai anos e insta o Goberno galego "tomar medidas de inmediato" O BNG denuncia que a situación se vén repetindo dende hai anos e insta o Goberno galego "tomar medidas de inmediato", poñendo en marcha "os mecanismos necesarios" para evitar as consecuencias producidas polas altas temperaturas no período estival no Hospital Provincial de Pontevedra. A formación lembra que "o proxecto do Gran Montecelo está nunha fase moi inicial, por culpa da Xunta do Partido Popular que mantivo paralizado o proxecto durante anos". "A inacción como táctica non pode ser a saída", concluíu. |
PRAZA_4957 | Eu abortei legalmente porque un médico asinou que corría grave perigo a miña saúde mental. Non era a clandestinidade, non parecía que correramos perigo de ir á cadea pero era unha mentira e unha concesión, non un dereito. Era unha fraude. Podíase volver contra profesionais e mulleres en calquera momento. | Como teño xa una certa idade, na miña posición sobre a lei do aborto súmase ao ideolóxico a experiencia vivida, a propia e a doutras mulleres que coñezo. Lembro nos primeiros 80, as veces que colaborei en xuntar cartos para pagar o aborto dalgunha amiga ou acompañala a Portugal a unha clínica tamén ilegal. Eran tempos da clandestinidade, nos que as mulleres que abortaban incorporaban na súa vida un secreto estigmatizante, nos que puñan en perigo a súa vida e a súa liberdade. Antes da lei do 85, abortar en Galiza podía supoñer a cadea, pero iso non disuadiu do aborto a ninguén que eu coñecera, era simplemente un obstáculo a superar, cuestión fundamentalmente de cartos e de contactos. Debo recoñecer que xunto coa solidariedade daquelas colaboracións, sentía un certo reproche, como non tiveran máis coidado? Como non o tiñan evitado? Antes da lei do 85, abortar en Galiza podía supoñer a cadea, pero iso non disuadiu do aborto a ninguén que eu coñecera, era simplemente un obstáculo a superar, cuestión fundamentalmente de cartos e de contactos Até que, xa coa lei do 85 en vigor, tocoume a min. Por circunstancias da vida, un embarazo desexado converteuse nun día, nunha hora, nun compromiso imposible de asumir, e decidín abortar. Tomei a decisión sen considerar a súa legalidade, era o meu corpo e a miña vida e decidín, sabendo que algunha amiga pensaría de min "como non tivo máis coidado?". A lei permitíame abortar só en tres situacións, violación, malformación do feto ou grave perigo para a miña saúde física ou psíquica. A realidade é que no meu caso non se cumprían ningún dos tres supostos. A lei do 85 non atendía a realidade social, os tres supostos que despenalizaba, hoxe sabémolo, supoñen menos do 10% dos abortos, o resto seguían a ser tan ilegais como antes. Pero a sociedade era outra. Eu abortei legalmente porque un médico asinou que corría grave perigo a miña saúde mental. Non era a clandestinidade, non parecía que correramos perigo de ir á cadea, pero era unha mentira e unha concesión, non un dereito. Era unha fraude Coa combinación da presión feminista, das demandas das mulleres, da disposición de milleiros de profesionais, da visión de negocio das clínicas…, creouse e normalizouse un sistema de fraude ou engano xeneralizado á lei. Eu abortei legalmente porque un médico asinou que corría grave perigo a miña saúde mental. Non era a clandestinidade, non parecía que correramos perigo de ir á cadea pero era unha mentira e unha concesión, non un dereito. Era unha fraude. Podíase volver contra profesionais e mulleres en calquera momento. A lei de 2010 marca tamén uns límites, toda liberdade individual ten límites, mais esta vez non son límites arbitrarios, non é a opinión doutra persoa, non provocan fraudes nin mentiras Hai anos que a miña experiencia directa redúcese a participar en debates e mobilizacións. Máis aínda coa aprobación da lei de 2010 que recoñece ás mulleres o exercicio do noso dereito a decidir por nos nas primeiras 14 semanas do embarazo, que recoñece a capacidade, a liberdade e a responsabilidade que sustentan ese exercicio. Que marca tamén uns límites, toda liberdade individual ten límites, mais esta vez non son límites arbitrarios, non é a opinión doutra persoa, non provocan fraudes nin mentiras. Porque non é clandestino sabemos que en 2012 abortaron en Galiza 3655 mulleres, 3418 fixérono antes da semana 13 de xestación, o 93,5%. Non se trata xa de perseguir o aborto e exculpar supostos, trátase de procurar ás mulleres o exercicio en liberdade da súa maternidade que a ONU asume dende 1995: "Os dereitos humanos das mulleres inclúen o dereito a ter o control e a decidir libre e responsablemente sobre a súa sexualidade, incluída a saúde sexual e reprodutiva, libre de presións, discriminación e violencia". Sitúanos nun marco legal semellante ao da media europea. Abre o debate sobre outras cuestións relacionadas, que estaban en segundo plano pero moi importantes como a educación sexual, a prevención de embarazos non desexados e a regulación da obxección de conciencia de profesionais da saúde involucradas. A lei 2/2010 vai da man da realidade. Dende o principio, o lobby radical católico español reaccionou contra esta lei. Prodúcense continuas inxerencias da xerarquía católica, manifestacións e escraches ás mulleres diante das clínicas, interponse un recurso de inconstitucionalidade do PP ante o Constitucional que está aínda pendente de resolución e que non impediu que a lei entrara en vigor, a Xunta encarga á Red Madre o traballo de información preceptiva para mulleres que abortan ao tempo que reorienta os Centros Quérote e recorta os recursos do Centros de Orientación Familiar. Coa chegada ao goberno do Estado, o PP anuncia o cambio da lei e finalmente presenta a súa alternativa: non se trata de derrogar a vixente lei, senón de crear un novo marco máis restritivo que o do 85, un marco no que o 95% dos actuais abortos serían ilegais: volver á clandestinidade. Unha parte do PP desvincúlase del e reivindica a lei do 85 ("consenso intelixente" chámalle Feijóo) sen advertir que, se a lei do 85 funcionaba, era porque non se cumpría, e que non é socialmente aceptable volver a aquela situación Esta ameaza de contrarreforma está a producir un gran rexeitamento social. Dende o movemento feminista, como era de agardar, dende instancias da UE porque incumpriría as súas recomendacións a Estados membro e diversos tratados internacionais asinados por España, dende a sociedade en xeral segundo indican as enquisas de opinión, e dende diversidade do espectro político. Demándase a retirada do proxecto. Incluso unha parte do PP desvincúlase del e reivindica a lei do 85 ("consenso intelixente" chámalle Feijóo) sen advertir que, se a lei do 85 funcionaba, era porque non se cumpría, e que non é socialmente aceptable volver a aquela situación. A presión social non é inútil, ten adiado a tramitación da lei, agudizando as contradicións internas do PP e o medo ás consecuencias da súa aprobación en termos electorais. O éxito de diversas revoltas pacíficas que paralizan procesos como a venda de hospitais en Madrid, o bulevar de Gamonal ou a mina de Corcoesto, mostran o camiño, e se algún movemento social sabe como combinar persistencia e creatividade é o feminismo: o rexistro dos corpos, as performances, o recurso ao Valedor, as pancartas e outra iniciativas están a conseguir que o tema se manteña na axenda, que cada día sexa máis difícil para o PP defender a contrarreforma. O éxito de diversas revoltas pacíficas que paralizan procesos como a venda de hospitais en Madrid, o bulevar de Gamonal ou a mina de Corcoesto, mostran o camiño Poderán cambiar a lei, teñen maioría no Congreso para facelo, pero esa lei será incumprida, non pola porta de atrás, con mentiras e fraudes, ao seu estilo, senón polo exercicio da desobediencia ante unha lei inxusta. Profesionais que declaran publicamente que seguirán a facer abortos porque a clandestinidade poñerá en risco a vida das mulleres que non teñan medios para ir fora, ou asociacións de mulleres que están a organizar redes internacionais de acompañamento e financiamento de abortos en países onde é legal son unha mostra da rede de insubmisión que se está a organizar. Este 9 de marzo en Compostela, saíndo á rúa, teremos unha nova oportunidade de mostrar que non imos volver ao pasado. As mulleres decidimos! O Estado garante! A sociedade respecta! A Igrexa non intervén! |
NOS_28841 | Gonzalo Caballero aproveitou a xuntanza en Vilalba coa alcaldesa da vila, Elba Veleiro, e co seu homónimo de Xermade, Roberto García, para reclamarlle á Xunta máis persoal sanitario para reforzar o plan de vacinación. | O secretario xeral do PSdeG (Partido Socialista da Galiza), Gonzalo Caballero, propuxo hoxe ao Goberno da Xunta que reforce o persoal sanitario para o plan de vacinación, de maneira que se poidan "usar de inmediato todas as vacinas dispoñíbeis", "perfeccionar o sistema de telemedicina" e "evitar reorganizacións e retrasos nas intervencións programadas". Gonzalo Caballero lanzaba estas propostas nunha comparecencia de prensa en Vilalba, logo de manter unha xuntanza coa súa alcaldesa, Elba Veleiro, e tamén o seu homónimo no veciño concello de Xermade, Roberto García. O secretario xeral dos socialistas pediu "empregar todas as vacinas dispoñíbeis" para "protexer a xente", xa que "é a maior garantía para loitar contra a Covid" e "a esperanza para saír adiante cunha sociedade máis fortalecida contra o virus". O líder do PSdeG requiriu, así mesmo, a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, "para explicar as irregularidades no proceso de vacinación no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP)", logo de que saíse á luz que foron vacinadas 17 persoas "fóra de protocolo" e "de forma irregular". "Os responsábeis sanitarios están a evitar explicar o que aconteceu no CHUP", ante o que "hai unha nebulosa", insistiu o socialista. Gonzalo Caballero esixiu que se respecten os protocolos estabelecidos "de acordo ás normas" e "que non haxa discriminacións". Noutra orde de cousas, o responsábel dos socialistas destacou que, "dúas horas despois" de que o PSdeG propuxese no Parlamento e ante o Clúster de Turismo "un plan de rescate para o turismo e a hostalaría" que incrementase en 62 millóns de euros as partidas previstas nos orzamentos da Xunta, o Goberno galego anunciou que ía "incrementar en 50 millóns de euros os fondos" para estes sectores. Caballero agradeceu que a Xunta "empece a tomar medidas" e pediu que as axudas se "administren axilmente". |
NOS_27987 | Na quinta edición do festival abrirán e fecharán os filmes Lúa Vermella, de Lois Patiño, e My Mexican Bretzel, de Nuria Giménez. | A quinta edición de Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cine de Pontevedra, deu a coñecer os primeiros contidos da súa programación. O evento, que se realizará entre os días 15 e 20 de decembro, ten previsto dedicar un espazo especial ao cineasta murciano Luis López Carrasco. Ademais, as propostas que abrirán e fecharán esta edición serán os filmes Lúa Vermella, de Lois Patiño, e My Mexican Bretzel, de Nuria Giménez, a cal se poderá ver por vez primeira na Galiza. Estes dúas cintas son, para a organización do festival, "eximios exemplos dun cinema tan singular como radical nas súas formulacións estéticas" ao partir "de concepcións e proposicións aparentemente dispares" mais que "semellan compartir un obxectivo común: o mergullo e a dispersión activa do espectador nunhas paisaxes que destilan tanta sensorialidade como emoción e reflexión". Luis López Carrasco Novos Cinemas recollerá no especial sobre López Carrasco as obras Aliens, El Futuro e El año del descubrimiento. Se en El futuro o cineasta vaticinaba o abismo que devoraría toda unha xeración, potencialidade pura, posuída polo espírito da esperanza, Aliens, parte da reflexión do arquivo da líder de Zombies Tesa Arranz, e debuxa un retrato comido polo VHS, onde se mostra esa inquietude transgresora e rupturista da cultura dos anos 80. A terceira obra, El año del descubrimiento, relaciona toda esa frustración e ese engano de principios dos oitenta para contrastala cunha suposta bonanza dos anos 90, un período no que o Estado español aspiraba a internacionalizarse e a abrirse ao mundo mediante a organización de grandes eventos internacionais sen límite económico. Colaboración coa plataforma Filmin O festival de cinema pontevedrés apostará este ano por unha edición mixta que combinará proxeccións na cidade co inicio da colaboración coa plataforma de vídeo baixo demanda de pago Filmin. Desta maneira, o festival aproveitará as novas canles de difusión para ofrecer tamén ao seu público, de maneira online, as súas dúas seccións competitivas (Oficial e Latexos) e unha selección especial de filmes que o equipo de programación prepara para esta nova edición. |
PRAZA_381 | O Bloque rexeita o 'mailing' "por hixiene democrática e por aforro" e empraza o resto de forzas a que tamén o fagan para "aforrar 2 millóns de euros" de cartos públicos. A formación nacionalista anuncia unha campaña para as municipais "distinta á das forzas políticas do sistema". | O BNG vén de anunciar que levará a cabo unha campaña "modesta" de cara ás eleccións municipais do 24 de maio e que renuncia ao envío masivo de papeletas por correo "por hixiene democrática e por aforro de recursos públicos" e a pedir créditos bancarios para financiala. Anunciouno o seu secretario de Organización, Bieito Lobeira, que asegurou que renunciar ao coñecido como mailing "supón aforrar case 2 millóns de euros en Galiza de ter só en conta as forzas con representación parlamenaria". O BNG renuncia ao envío masivo de papeletas por correo "por hixiene democrática e por aforro de recursos públicos" Lobeira, tamén coordinador de campaña de BNG-Asembleas Abertas, advirte que na formación nacionalista considérase "que o máis democrático é que cada elector e electora colla directamente o seu voto no colexio electoral e o deposite na urna" e cre que a proposta é acaída nestes "tempos difíciles" e convida ao resto de forzas a imitar o que o Bloque xa fixo nas pasadas eleccións europeas. "Será unha campaña modesta pero imaxinativa e distinta á das de forzas políticas do sistema", insistiu, aclarando que levarán a cabo un campaña "do cara a cara, do boca a boca, do porta a porta, falando asociación por asociación, colectivo por colectivo, pretendendo chegar a cada veciño e veciña do noso país, en cada parroquia, concello, vila e barrio de cada cidade", para trasladarlles as alternativas "pero tamén escoitar as propostas das persoas" ás que se dirixen. "Será unha campaña distinta á das de forzas políticas do sistema", advirte Bieito Lobeira Segundo establece a lexislación electoral, o "envío directo e persoal aos electores de sobres e papeletas electorais ou propaganda e publicidade electoral" está subvencionado para aquelas organizacións políticas que obteñan representación no Parlamento de Galicia, se se trata dunhas autonómicas, ou na Cámara que corresponda. Así, por exemplo, nas últimas eleccións galegas esta achega económica ascendeu a 16 céntimos por integrante do censo electoral, formado por 2.697.717 persoas a 1 de xuño de 2012, data de referencia para esa convocatoria. A subvención pública ás forzas parlamentarias para o 'mailing' nos últimos comicios autonómicos ascendía aos 1,7 millóns de euros Dado que as catro formacións (PP, PSdeG, AGE e BNG) obtiveron representación polas catro circunscricións electorais galegas -coincidentes coas provincias-, todas tiveron dereito a unha achega económica idéntica para sufragar estes gastos, isto é, 431.634,72 euros, o que supón un total de 1,7 millóns de euros. Non obstante, non todas declararon os mesmos gastos nin recibiron a mesma subvención polo envío de papeletas e propaganda. Segundo o informe de fiscalización das contas electorais que realizou o Consello de Contas sobre comicios do 21 de outubro de 2012, a forza parlamentaria que máis fondos recibiu por este concepto foi o BNG, cunha subvención de 431.442,08 euros. Esta axuda serviulles aos nacionalistas para sufragar a maior parte dos seus 2,7 millóns de envíos, se ben tiveron que pagar algo máis de 17.000 euros por envíos "non cubertos pola subvención". Quen tamén tivo que pagar envíos do seu peto foi AGE, no seu caso por importe de máis de 37.000 euros fóra da subvención, que quedou en 367.869,44 euros, a mesma que recibiu o PSdeG, partido que só pagou 7,50 euros en envíos. Pola súa banda, o PP xustificou 2,3 millóns de envíos cun gasto de 293.430 euros, exactamente o mesmo que recibiu de subvención. A proposta que agora fai o BNG non é a primeira. Outras voces políticas propuxeran antes cambios, non só polo aforro que suporía, senón co obxectivo de lograr unha maior limpeza electoral. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, consideraba "absurdo" continuar co "desbalde" que supoñen os "envíos masivos de papeletas". Besteiro e o PSdeG xa propuxeran eliminar o envío postal de papeletas por aforro e para evitar "o carrexo" e gañar en "limpeza electoral" Dende o seu punto de vista, suprimilos suporía unha vía de aforro e, ao tempo, de maior "limpeza" e aposta por que as papeletas de cada candidatura só estean dispoñibles nos colexios electorais "e que os votantes as collan in situ para meter a elixida na urna". "Esta fórmula -sinalaba hai ano e medio- achegaría maior transparencia e dificultaría prácticas pouco éticas que seguen a darse na actualidade", isto é, o "carrexo" de persoas que acoden ao colexio electoral cunha papeleta elixida, máis ou menos directamente, por outra persoa. O voceiro socialista na comisión do Consello de Contas, Juan Carlos González Santín, tamén reivindicou a supresión do mailing. En opinión dos socialistas, a fin dos envíos electorais non só permitiría deixar de gastar cartos, senón que faría moito máis difícil a práctica de "levar a xente votar", isto é, a carretaxe. "No século XXI todo o mundo sabe coller a papeleta no colexio electoral", argumenta, polo que reclamaba que as papeletas estean só nos colexios. Co obxectivo de "desaloxar" o PP "Estamos convencidos de que á maioría dos galegos e galegas se lles ocorre un uso máis útil para eses cartos públicos, sanidade, pagamento de medicamento ou calquera outra finalidade social tendo en conta os tempos duros que estamos a vivir", argumenta agora o BNG, quen emprazou ás outras organización políticas a facer o mesmo "para predicar co exemplo recortando un gasto prescindible e por limpeza democrática". Ademais, Bieito Lobeira fixo fincapé en que a campaña se financiará "exclusivamente cos propios recursos" do BNG, "sen dependencia de ningunha entidade bancaria, empresa ou lobby", destacou. O BNG descarta pactos a nivel nacional pero non poseriores para "desaloxar" o PP das alcaldías En canto á propia cita electoral, Lobeira insistiu na aposta por un proxecto político "nacionalista, popular e solvente, imprescindible para superar a lousa das políticas do PP" e aclarou que o Bloque aspira "a liderar a alternativa nunha maioría de municipios" pero que, en calquera caso, estudará pactos ou acordos "programa en man as opcións posibles" co obxectivo de "desaloxar" o PP, sabendo que o PSOE ten sido "colaborador necesario" á hora de executar políticas de recorte e empobrecemento. Iso si, o BNG descartou un pacto a nivel nacional e avogou por esperar a que os galegos "falen" nas urnas o 24 de maio. |
NOS_54105 | A taxa interanual do IPC bateu todas as marcas dos últimos 37 anos en marzo e alcanzou 10,5% na Galiza, por riba da media estatal. | A CIG vén de convocar para esta cuarta feira, 20 de abril, unha serie de asembleas e concentracións de delegadas e delegados desta central sindical por todo o país contra a suba xeneralizada dos prezos, baixo o lema "Contra a pobreza, políticas públicas e salarios dignos". As concentracións decorrerán ás 12 horas na Coruña (Delegación do Goberno estatal), Ferrol (edificio da Xunta), Compostela (praza da Galiza), Ribeira (praza do Concello), Vigo (rúa Vázquez Varela, até a Xunta), Pontevedra (Subdelegación do Goberno) e Vilagarcía (oficina do INEM); ás 11 horas en Ourense (Subdelegación do Goberno) e ás 12.30 horas en Lugo (Subdelegación). "Ante a crítica situación económica e social provocada pola carestía da vida na que xa viviamos, agravada polas consecuencias da guerra na Ucraína, a central sindical demanda, con estas mobilizacións que se insiren na campaña contra a carestía da vida, que se poñan en marcha toda unha serie de medidas urxentes para atallar o impacto que os altos prezos dos bens e servizos básicos están a ter sobre as clases populares", salientan desde a CIG. Estas propostas, subliñan, "requiren dunha decidida intervención pública" e deben incidir en "varios ámbitos" para "poder garantir unhas condicións de vida dignas". A inflación leva por diante as melloras salariais dos últimos anos Fronte a isto, entende que a resposta á pobreza "non pode ser máis políticas neoliberais como as que contén o chamado Plan de Resposta Económica á Guerra anunciado polo Goberno español, que busca, entre outros obxectivos, a contención salarial, consolidando así os baixos soldos e a pobreza laboral". Esta "ofensiva", destacan, "complétase co chamado Pacto de Rendas e as negociacións do acordo estatal de negociación colectiva onde, de novo, o diálogo social, UXT e CCOO, volven estar ao servizo do capital, e baixo a premisa de impor moderación salarial imposibilitan calquera recuperación do poder adquisitivo dos salarios". "Moderación salarial", o remedio do Estado español para a espiral inflacionista |
NOS_2258 | Considera que a concentración así do voto "progresista" podería derrotar a hexemonía do PP galego na elección para esa Cámara. | Luis Villares, portavoz de En Marea, propón a PsdeG e BNG unha "gran plataforma progresista" para concorrer nas eleccións do vindeiro 28 de arbil ao Senado. Unha ferramenta que, dixo, permitiría ás forzas de progreso galegas ter un bo resultado nesa Cámara, cuxa elección de representantes está marcada pola concentración de voto. Neste sentido, Villares sinalou que o "carácter aberto das listas para esta Cámara facilitaría esa posibilidade" dunha plataforma Esta proposta foi formulada polo portavoz nacional e parlamentar de En Marea ao remate do Consello das Mareas. Nas eleccións xerais de 2016 elixíronse nas urnas 16 senadores e senadoras: 12 do PP, 3 do PsdeG e 1 de En Marea. O Senado ten unha configuración que penaliza aos partidos minoritarios e que favorece a formación de maiorías absolutas que non se corresponde co proporcional dos votos. |
NOS_17243 | Nos centros de saúde proseguen as e os maiores de 80 cos viais de Pfizer e Moderna. | O Servizo Galego de Saúde (Sergas) volverá administrar a partir desta cuarta feira as vacinas de AstraZeneca, após terse paralizado na última semana. Segundo informou nesta terza feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, as primeiras persoas citadas serán as que quedaron pendentes pola suspensión cautelar da vacinación, isto é, profesionais de "colectivos esenciais" definidos na estratexia de vacinación, entre os que se inclúen os corpos policiais. "Estamos a traballar para incorporar canto antes as e os maiores de 50 neses grupos até os 65 anos, e seguir cos esenciais coa ampliación de idade", explicou, e aclarou que, polo de agora, o Goberno galego non valora vacinacións masivas: "Depende do número de doses. O obxectivo, de momento, é vacinar só as e os esenciais". Así, Sanidade retomará o proceso cos grupos de poboación 3B (persoal implicado na xestión e resposta da pandemia), 3C (resto do persoal sanitario e sociosanitario que non fose vacinado aínda) e 6 (Garda Civil, Policía Nacional e Local, bombeiros, etc.). Maiores de 80 anos No tocante aos puntos de vacinación, García Comesaña asegurou que o Sergas está a inocular as e os profesionais "nos hospitais", reservando, deste modo, os centros de saúde para vacinar cos viais de Pfizer e Moderna as persoas maiores de 80 anos. "Se temos vacinas suficientes e podemos recorrer á inoculación dun número importante de galegas e galegos, recorreriamos aos puntos que xa probamos hai un par de semanas", engadiu, en alusión á recente proba piloto de vacinación masiva. Até o de agora foron administradas máis de 385.000 doses de vacina contra a Covid-19, e perto de 120.000 persoas recibiron a pauta completa. |
PRAZA_6248 | Quinteiro do Umia analiza nesta reportaxe o estado actual do Plan Umia, un custoso proxecto (22 millóns de euros) posto en marcha en 2011 pola Consellaría de Medio Ambiente para atallar a grave contaminación da presa, que aínda persiste. | Na primavera do 2011, ante a gravidade da contaminación da auga do encoro da Baxe, no río Umia, a Consellaría de Medio Ambiente presentou o chamado Plan Umia. Agustín Hernández prometía un gasto de 22 millóns de euros en catro anos para loitar contra a eutrofización por microcistina, que estaba a provocar problema non só medioambientais, senón tamén de saúde pública, ao estar presente na captación de augas que bebían os veciños e veciñas de Caldas. Agora, cando falta menos dun ano para que remate o período comprometido, o proxecto comunicativo Quinteiro do Umia analiza a promesa, o estado actual do río e do encoro, e as propostas de solución. Dende Quinteiro do Umia destácase que "a construción do encoro da Baxe foi polémica dende o primeiro día, e cada unha das noticias que xera dá lugar a discusión". Na reportaxe entrevístase a Antonio Pena (PP), alcalde de Cuntis; Eva Villaverde, concelleira do BNG de Moraña; Fernando Pérez, de Independentes de Caldas de Reis; Serafín Escariz, da Asemblea Nacionalista de Cuntis; Fins Eirexas, ecoloxista e xeólogo de ADEGA; e Chus Gómez, xornalista do Diario de Pontevedra. Grupos da oposición e entidades ecoloxistas amósanse moi críticos, tanto polo mantemento dos problemas de contaminación, a limitación das propostas de saneamento, o elevado custe do plan e tamén por algunhas das iniciativas experimentais de solución, coma o uso de codia de eucalipto. Todos eles propoñen o derrubo do encoro ou, cando menos, a apertura das súas portas, para facilitar a limpeza do río, e destacan que o custe desta actuación sería moi inferior aos cartos que nestes anos se levan gastados en medidas para diminuír a contaminación. Fins Eirexas (ADEGA) demanda que a administración mire máis "por cumprir a lei" e "por aforrar 22 millóns de euros", apostando "por medidas brandas, medidas baratas que pasan por abrir as comportas ou ben demoler a instalación". Tamén se denuncia que non foi até o vertido da empresa Brenntag que se detectou a grave contaminación por microcistina. E critícase, así mesmo, o beneficio económico obtido neste tempo por unha serie de empresas privadas encargadas de limitar os niveis de contaminación. Moi distinta é a visión ofrecida por Antonio Pena, alcalde de Cuntis, que defende a efectividade das actuacións postas en marcha pola Xunta. |
NOS_29559 | As traballadoras da planta coruñesa de residuos de Nostián anuncian un calendario de mobilizacións e unha folga xeral indefinida. | As traballadoras e traballadoras da planta coruñesa de residuos de Nostián anunciaron esta quinta feira a convocatoria dunha folga indefinida a partir do 8 decembro en sinal de protesta polo expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) comunicado pola empresa. A decisión do comité de empresa ven acompañada dun calendario de mobilizacións para este mes na praza de María Pita da Coruña. Serán os días 22 e 29 de novembro entre as 11.00 e as 12.30 horas, e terán continuidade o 5 de decembro. As protestas das traballadoras, que levan como lema 'Polo noso futuro e o da planta!' son a resposta ao ERTE previsto pola empresa após da decisión de non procesar o lixo que chega á pranta dos concellos do Consorcio das Mariñas. |
NOS_40226 | Repasamos as opinións vertidas polos responsábeis da Consellaría de Sanidade e da Axencia Europea do Medicamento sobre a posibilidade dunha cuarta dose da vacina da Covid en menores de 80 anos. | O conselleiro galego de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, asegurou que a campaña da cuarta dose da vacina da Covid realizarase en "outono-inverno" para a poboación xeral. A vacina específica para Ómicron chegará en setembro: cal é a súa eficacia? Comesaña sinalou que espera que nese momento as vacinas xa teñan as dúas variantes habituais, a orixinal e a ómicron. Así, afirmou que esas datas serán "o escenario máis adecuado" para administrar esa cuarta dose. Así mesmo, nunha entrevista na Radio Galega, García Comesaña subliñou que a Xunta da Galiza xa expuxo a conveniencia de que os maiores de 80 anos reciban a cuarta dose da vacina fronte á Covid. Así, demandou á Comisión de saúde pública e ao Relatorio de vacinas que se pronuncien sobre este tema. A pesar disto, aínda que o conselleiro asegurou que esperarán á decisión do foro, insistiu en que a postura da Xunta é "clara e de non esperar máis" porque observan unha diminución da protección. A desigualdade na vacinación ameaza cun atraso dunha década no desenvolvemento Para o colectivo de maiores de 80 anos, Comesaña detallou que a intención é que, en canto se aprobe, sexa administrada nos centros de saúde, como xa se fixo nas anteriores doses para este grupo de idade. Comesaña recoñeceu que as cifras de casos activos e de incidencia acumulada de Covid na Galiza son "altas e malas", a 14 días de case 1.300 e a 7 días de 648. Ademais, destacou que 68,66% das persoas ingresadas na Galiza con esta patoloxía estano "con Covid", pero non "a causa da Covid". Así, concretou que "só 31%" está ingresado por motivos de Covid". Por outra parte, cuestionado sobre se Sanidade ten planeada unha regresión respecto ao uso das máscaras en interiores, Comesaña apuntou que na Galiza seguen recomendándose mais, "ante unha situación estábel", asegurou que non contempla esa regresión á obrigatoriedade. Vacinas adaptadas O xefe de Estratexia de Ameazas Sanitarias Biolóxicas e Vacinas da Axencia Europea do Medicamento (EMA), Marco Cavalieri, adiantou en rolda de prensa a finais da pasada semana que o organismo prevé aprobar as vacinas contra a Covid adaptadas a Ómicron e outras variantes en setembro. "A nosa prioridade é garantir que as vacinas contra a Covid adaptadas se aproben como moi tarde en setembro, para que estean listas para o despregamento das novas campañas de vacinación na Unión Europea no outono. Isto permitiría aos fabricantes axustar as súas liñas de produción en consecuencia", precisou o membro da EMA. "Os ensaios clínicos das vacinas adaptadas deben demostrar que son superiores ás actuais vacinas autorizadas de Covid contra Ómicron e outras variantes", engadiu. Estes son os novos efectos secundarios das vacinas dos que advirte a EMA A EMA anunciou a conveniencia da aprobación dun segundo reforzo da vacina contra a Covid en poboación maior de 80 anos. "É demasiado pronto para considerar o uso dunha cuarta dose, ou dun segundo reforzo das vacinas de ARNm na poboación xeral; con todo, as persoas maiores de 80 anos poderían beneficiarse dun segundo reforzo, dado o maior risco de Covid grave para eles", avanzou Cavalieri. As candidatas a desenvolver as vacinas Cavalieri desvelou que as principais candidatas para estas vacinas adaptadas son as dos laboratorios de Moderna e Pfizer/BioNTech. "Estamos a traballar con todos os fabricantes das vacinas que están actualmente aprobadas, pero non é ningún misterio que as vacinas de ARNm están bastante máis adiantadas na carreira, e esta é a razón pola que estamos a traballar principalmente con Moderna e Pfizer/BioNTech", aclarou. |
NOS_48543 | Dez grandes nomes da literatura participan na quinta edición e "PontePoética", o festival que leva a poesía en distintos formatos a diversos espazos da cidade. | Dirixido pola poeta Yolanda Castaño e organizado polo Concello e o Ateneo de Pontevedra, bota a andar esta sexta feira a quinta edición de PontePoética coa participación de poetas como Olalla Cociña, Harkaitz Cano, Susanna Lliberós, Isaac Xubín, Manuel Álvarez Torneiro, Lucía Novas, Lello Voce, José Luis Peixoto, Luis García Montero. Durante tres días, 17, 18 e 19, a poesía sentirase en distintos espazos da cidade, de maneira especial, no Teatro Principal onde se desenvolverán os principais recitais colectivos. O encontro co alumnado de centros de ensino da cidade abrirá o programa do Festival de Poesía a sexta feira pola mañá, unha actividade previa á inauguración que terá lugar ás 17.30 horas no Teatro Principal co recital dos poetas Isaac Xubín, Isaac Xubín, Susanna Lliberós e José Luís Peixoto. A seguir, ás 19 horas, serán Olalla Cociña, Harkaitz Cano e Manuel Álvarez Torneiro quen suban ao escenario para pechar a primeira das tres xornadas do Festival Un obradoiro de Narrativa con Harkaitz Cano abrirá o programa do sábado ás 11 horas para, ás 17.30 regresar a poesía co recital de Lucía Novas, Luís García Montero e Lello Voce a quen seguirá o encontro de clausura ás 19:00 no Teatro Principal coa intervención da totalidade dos e das participantes, nun acto presentado por Yolanda Castaño. Malia iso, non remata aí o programa, por volta das 22.30 Lello Voce será protagonista do espectáculo poético do Pub El Pequeño e o domingo ás 11 o poeta Luís García Montero coordinará un obradoiro no Teatro Principal. |
PRAZA_14845 | En xullo o Ministerio de Facenda interpuxo un recurso contencioso-administrativo contra a convocatoria. A reitoría optou por suspender esas prazas pero negociou coa Xunta a súa convocatoria como persoal laboral contratado, pero o compromiso só se mantivo até as eleccións. | O pasado mes de xuño USC convocou 16 prazas de profesor nas áreas de Economía Financiera, Edafoloxía, Electrónica, Enxeñaría Química, Estatística, Filoloxía Galega, Física Aplicada, Física Teórica, Historia da Arte, Música, Historia Moderna, Microbioloxía e Nutrición. Porén, unhas semanas despois o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas interpuxo un recurso contencioso-administrativo contra a convocatoria baséandose no Real Decreto-lei 20/2011, de 30 de decembro, de medidas urxentes, que prohibía a incorporación de novo persoal ás administracións públicas, agás en casos excepcionais. A Universidade de Santiago tentou negociar algún tipo de medida que permitise manter a convocatoria, aínda que variase o procedemento. Deste xeito o 21 de setembro suspendeu esas prazas pero negociou coa Xunta a súa convocatoria como persoal laboral contratado. Sumounas ademais ás 18 do persoal que levaba encadeando contratos administrativos dende hai case trinta anos nalgúns casos. Porén, colectivos universitarios como Na Encrucillada, facíanse eco nas últímas semanas de que a Xunta tiña tomada unha decisión de paralizar esta convocatoria dende hai semanas, pero que a ía manter oculta até a celebración das eleccións galegas. Sexa como for, o 25 de outubro a Consellaría de Cultura comunicoulle á USC que non tiña autorización para continuar coa convocatoria. E o 26 a Reitoria tomou a decisión de suspendela "cautelarmente". |
PRAZA_1269 | Ada Seoane, Josito Porto e Alex Sevilla destacan en rolda de prensa que "a cultura musical deste país ten que contar cun tempo na Radio Galega en horario non intempestivo". Este xoves está convocada unha concentración na Praza do Toural de Compostela | Representantes da escena musical galega deixaron patente este mércores o seu descontento ante o cese de emisións do programa de Radio Galega Música Planeta Furancho nunha rolda de prensa conducida por Ada Seoane, Josito Porto e Alex Sevilla e que serviu tamén para lembrar a convocatoria dunha concentración de protesta, que terá lugar este xoves ás 20.30 horas na Praza do Toural de Compostela. "Non imos quedar de brazos cruzados ante o último desaire á cultura deste país levado a cabo pola directiva do ente público CRTVG", destacaron, en referencia á retirada de Planeta Furancho, un espazo que "actuou como un altofalante da música galega durante máis de 1.400 programas" e que deixa a Radio Galega Música "sen ningún formato de visibilización das bandas do país", destacaron. O anuncio da suspensión inminente de Planeta Furancho chega xusto o mesmo día que o director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, salientaba no Parlamento o traballo de difusión da cultura galega realizado polo ente. "Nos pensamos o mesmo que Don Alfonso. A cultura musical deste país ten que contar cun tempo na Radio Galega en horario non intempestivo! E, aproveitando as súas boas intencións, tamén a TVG ten a obriga de crear un programa con música ao vivo recollendo a cantidade e calidade de artistas contemporáneos galegos! É unha vergoña que non exista un solo programa de música moderna con entrevistas e actuacións en directo", sinalaron. Os músicos e músicas galegas reunidas esixiron "a rectificación inmediata por parte da direción da CRTVG e a permanencia en antena do Planeta Furancho, nun horario máis acaido para algo que é central nas nosas vidas, gozar en liberdade das nosas músicas e na nosa lingua; e o cumprimento da Lei na CRTVG, cumprindo así a finalidade coa que foi creada". "Temos en conta que a Radio e os seus micros son nosos porque son públicos e estamos a falar dunha radio pública. A nós, como propietarios dun arma tan perigosa como pode resultar un instrumento musical, parécenos fundamental dispoñer de canles de difusión públicas", engadiron, convocando a toda a cidadanía para a concentración deste xoves. |
NOS_11772 | Tempo de outono, tempo das árbores, tempo das masas forestais de folla caediza, e dos xardíns, que, diante da uniformidade permanente de piñeiros e eucaliptos, mudan para adaptarse aos cambios ambientais e debullan as follas dándolle á contorna na que se insiren un aspecto novo, no que cada día cambian a luz e as cores. | É tempo dos bidueirais, das beiras dos ríos, dos soutos e das carballeiras, e por este orde; é tempo para as sorpresas porque en calquera recanto nos pode impresionar a pegada de cor dunha árbore solitaria, un anaco de mato ou un cultivo. Paraxe: Deza / Concello: Lalín / Percorrido: 6 quilómetros / Dificultade: Baixa Estes días achegámonos as fragas de Catasós, na contorna de Lalín, a uns 3,5 quilómetros do centro da localidade, de doado acceso, ao pé da estrada de Lalín a Ourense, aínda que sen sitio para deixar o coche polo que, se vimos de Lalín, temos que seguir un pouco arriba, uns 200 metros, pola estrada para deixalo no espazo que hai diante dun bar, e se vimos da dirección de Ourense, temos que estacionar tamén nun alargo que hai diante do mesmo bar, pero á dereita da estrada. A fraga de Quintela de Catasós, chamada tamén Carballeira ou Souto de Quiroga ou de Quintela, é unha pequena superficie de bosque autóctono asentado na aba arborada do val do rego de Quintela a unha altitude duns 550 metros sobre o nivel do mar. O seu maior interese reside no gran valor biolóxico dos castiñeiros que teñen o fuste máis alto de Europa (pasan dos 30 metros de altura, con case 5 metros de perímetro na base e uns 300 anos de idade). Na década de 1970 foron considerados pola FAO [Food and Agriculture Organization] como os de mellor porte forestal de Europa polo que a zona está protexida como Monumento Natural, desde o ano 2000, e ten marcados itinerarios para facer un percorrido que se achega aos puntos de máis interese. Na actualidade só se conserva un castiñeiro en bo estado (os outros exemplares están danados e algún caído) e varios carballos interesantes, polo que segue a ser un bo lugar para unha visita puntual, para un curto percorrido, sen ir máis alá dos límites da parcela; para deixarse levar polos camiños entre os arboredos dos arredores, ou para facer un roteiro seguindo a sinalización de Fragas de Catasós (indicado cunha folla de carballo de cor verde cunha frecha inserida para sinalar a dirección da marcha), que nos leva polas masas de bosque e polos lugares da contorna até completar un percorrido de 6 a 7 quilómetros. No traxecto imos atopar ademais algúns bos exemplares de sobreira, que conservan as pegadas de vellos aproveitamentos da cortiza, e ao saír do bosque as paisaxes da contorna, pradarías rodeadas de sebes nas que sobresaen os toros brancos dos bidueiros, entre o gris dos ameneiros e os carballos que durante o verán dan |
PRAZA_12423 | O PP parece ter atopado a escusa para demorar a integración da alta velocidade na cidade das Burgas e atrasar a unión de Galicia coa Meseta até o 2018. Unhas declaracións da ministra de Fomento Ana Pastor cualificando o custe da integración como "pouco razoable" ao cifrarse en 560 millóns de euros puxeron a colofón á declarada intención de revisar o proxecto xa aprobado polo anterior equipo do ministerio de Fomento. | Os populares no Goberno do Estado e na oposición en Ourense parecen ter atopado a escusa para demorar a integración da alta velocidade na cidade das Burgas e atrasar a unión de Galicia coa Meseta até o 2018. Unhas declaracións da ministra de Fomento, Ana Pastor, nun almorzo informativo este martes cualificando o custe da integración como "pouco razoable" ao cifrarse en 560 millóns de euros puxeron a colofón a declarada intención de revisar o proxecto xa aprobado polo anterior equipo do ministerio de Fomento. Aínda que horas despois e dende o propio equipo de Ana Pastor se matizasen as súas palabras, o que ninguén pon en dúbida e que a teima dos populares por modificar a forma en que debe chegar o tren á terceira cidade de Galicia é xa unha realidade. Os populares ourensáns conseguiron arrancar o compromiso á ministra tras unha intensa campaña que comezou coa propia intervención da que hoxe é vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, cando visitou Ourense o pasado mes de marzo garantindo un novo estudo. Unha vez que os conservadores se instalaron no Goberno, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou a Pastor e arrincoulle o compromiso de estudar o soterramento da liña, alterando así a chegada en superficie. Esta intervención do líder ourensán do PP foi secundada polo portavoz municipal, Rosendo Fernández, quen manifestou que a entrevista de Baltar foi "acertada e pertinente fronte á actitude tancredista do alcalde". Fernández foi máis alá ao explicar que "un novo estudo non atrasa a chegada do AVE e se hai que falar co demo pois fálase". A opción do soterramento foi desbotada polos propios técnicos de Fomento cando José Blanco era ministro. Os enxeñeiros do ministerio falaban de "risco de inundación por crecidas do Miño" e este mesmo venres a deputada socialista Laura Seara engadía que o custe se incrementaríase ata o millón de euros, superando o medio millón xa aprobado. Porén, a postura dos populares galegos e ourensáns sobre a integración da alta velocidade na cidade non foi sempre a mesma e foi cambiando a medida que pasaban os anos. O 9 de maio de 2005 unha carta asinada polo daquela vicepresidente e conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde Manuel Cabezas, apostaba pola chegada en superficie. Esa mesma carta dirixida a Fomento ía acompañada dun estudo técnico da consellaría que dirixía Feijóo no que se dicía que "as posibilidades de integración mediante soterramento estaban condicionadas pola proximidade da estación Ourense-Empalme" e apostaba como única opción pola chegada en superficie. A chegada dos socialistas ao goberno do Estado consolida a opción da chegada en superficie e os populares nun primeiro momento fan unha mínima alegación para cambiar de postura definitivamente unha vez que todo o proceso está en marcha e se achegan as eleccións municipais. O alcalde de Ourense O anuncio da ministra Pastor de que se estudará a fórmula do soterramento provocou a reacción do alcalde de Ourense, quen non foi recibido por Ana Pastor a pesar de remitirlle tres cartas, e dos socialistas. O rexedor, ademais de facerlle un convite á titular de Fomento para que explique a súa iniciativa, trata de refutar os argumentos de que o custe é elevado e aproveita para recordar que "hai tres meses que foi licitado o proxecto de estación deseñado por Norman Foster e non é certo que sexa cara, pois é a máis barata das galegas e a maior parte dos recursos son achegados pola propia cidade". A tamén deputada ourensá Laura Seara manifestou este venres que "detrás destas observacións está a decisión de paralizar a chegada do AVE". Seara recorda que "neste momento están licitados o 80 por cento dos tramos e a inversión realizada polo Goberno é de 5.400 millóns de euros". A dirixente socialista anunciou que o seu partido iniciará unha campaña en todas as institución públicas para dar a coñecer a decisión do Goberno de Rajoy e dirixirase ao Executivo para que disipe calquera dúbida sobre o futuro da alta velocidade en Galicia. |
NOS_56579 | A Deputación pontevedresa porá a disposición da cidadanía o arquivo persoal do galeguista Xosé Velo a través dunha publicación que esperan facer no 2022. | A Deputación pontevedresa vén de anunciar a adquisición de parte do arquivo persoal de Xosé Velo, político galeguista, no día que se fan 60 anos da arenga que deu no secuestro do Santa María para protestar polas ditaduras de Franco e Salazar. A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, anunciou a próxima publicación dun libro cunha escolma do material inédito adquirido, ademais da colaboración no documental Xosé Velo en Vigo. A guerrilla antifranquista na provincia de Pontevedra, dirixido por Aser Álvarez. "Queremos pór en valor a figura, obras e ideas dunha persoa que loitou pola liberdade e que a cidadanía teña a disposición todo o material das persoas que traballaron e sufriron para que nós hoxe deamos pasiños para acadar unha democracia madura e sen complexos", expresa Ortega. A escolma dese material reunirase nunha publicación propia da Deputación, que pretende saír á luz, como moi tarde, no ano 2022, coincidindo co 50 aniversario do pasamento de Velo. Ademais a Administración tamén realizará outras iniciativas para a difusión da figura do político galeguista, coa colaboración do documental de Álvarez, que xa está dispoñíbel na web de Arrianos Producións e na canle de Youtube da Deputación. Para conmemorar a efeméride da toma do Santa Liberdade, Álvarez presentou na xornada de onte unha pequena peza audiovisual recreando a arenga que Xosé Velo fixo a bordo do transatlántico para explicar á tripulación e á pasaxe cales eran os motivos da súa acción política. "Franco e Salazar quixeron cualificalos de piratas, mais o dereito internacional demostrou que non", subliñou o produtor. A peza pódese visualizar nas redes sociais da Deputación e tamén na canle de Vimeo da produtora. Dentro dos numerosos documentos que ten o "Arquivo Velo", a Deputación resalta as cartas que Celso Emilio Ferreiro lle enviou ao político galeguista (1969, 1971 e 1972). Un epistolario de "moito interese", cualifican desde a Administración, xa que Celso Emilio Ferreiro escribía abertamente a Velo sobre a emigración galega en Caracas e sobre as circunstancias que o levaron a desenvolver a súa obra Viaxe ao país dos ananos, o seu traballo literario en xeral e as súas opinións políticas. Este apartado tamén inclúe unha misiva ao xeneral Humberto Delgado sobre as circunstancias do secuestro do Santa María. |
PRAZA_12091 | O presidente da Xunta afirma que se están estudando distintos emprazamentos para a incineradora na provincia e mantén a súa opinión de que non é contaminante, o mesmo que a de Sogama en Cerceda: "Gústanme moito os grelos de Ordes e disfruto moito co leite que se produce nesa zona, non creo que estean prexudicados pola planta" | "Descoñezo que a Deputación estea en contra. O que sei, despois de falar co presidente da Deputación, é que queren unha planta. Está en discusión o punto quilométrico, é unha discusión de segundo nivel". Alberto Núñez Feijoo reafírmase na opinión de que non existen diverxencias entre a posición do Partido Popular en Santiago e os populares de Ourense. Feijoo afirmou, ademais, que "a Xunta está estudando distintos emprazamentos" pois "ten que ser distintas posibilidades no caso de que falle a primeira". En calquera caso, reiterou a súa opinión de que a planta non é contaminante, o mesmo que a de Sogama en Cerceda: "Gústanme moito os grelos de Ordes e disfruto moito co leite que se produce nesa zona, non creo que estean prexudicados pola planta". O voto será decidido nunha xuntanza dos quince representantes populares na institución, que se reunirán antes da votación Porén, o PP ourensán deixou ver esta semana que este venres apoiará no pleno da Deputación a moción presentada polo PSOE en contra da instalación dunha planta incineradora nos montes comunais do Irixo. O voto será decidido nunha xuntanza dos quince representantes populares na institución, que se reunirán antes da votación. A moción do PSOE pide que a Deputación manifeste "a oposición" a que a nova planta de tratamento de residuos no sur de Galicia se instale "no actual emprazamento" proxectado "pola empresa Estela Eólica no Concello do Irixo". Marnotes engadiu que no caso de que o PP non votase a favor da moción socialista, el si o faría O alcalde popular do Carballiño votará a favor da moción do PSOE O texto é idéntico ao que hai unhas semanas se aprobou por unanimidade no Concello do Carballiño, co voto favorable do Partido Popular. Unha e outra moción non rexeitan a instalación da incineradora nalgún outro punto da provincia de Ourense, senón unicamente no emprazamento previsto nos montes comunais do Concello do Irixo. O principal apoio popular á moción impulsada polo Partido Socialista é o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, que afirmou que "o feito de que a Deputación debata a moción é xa importante, pero eu quedei co presidente para pedirlle que o grupo popular, do que formo parte, vote a favor". Marnotes engadiu que no caso de que o PP non votase a favor da moción socialista, el si o faría: "'eu como é lóxico manterei a miña postura igual ca no pleno do Carballiño". Estela Eólica segue decantándose polo Irixo debido á proximidade dos terreos ás vías de alta capacidade Estela Eólica mantén a ubicación que o PP ourensán rexeita Pola súa banda, Estela Eólica segue mantendo a ubicación no Irixo da inicineradora que promove, do mesmo xeito que hai unhas semanas se reafirmou no proxecto, a pesar da retirada dos incentivos económicos para as enerxías renovables coma a eólica. Estela Eólica segue decantándose polo Irixo debido á proximidade dos terreos ás vías de alta capacidade A-52 e AG-53 e ao eixo ferroviario Vigo-Ourense. Este martes o director do IGAPE deixou ver que o organismo podería achegar até 35 millóns de euros (un 15% do investimento total), aínda que para iso a planta ten que instalarse necesariamente nas provincias de Ourense ou Lugo, beneficiarias do Programa Impulsa. Estela Eólica aínda ten que remitirlle á Consellaría de Medio Ambiente un documento técnico sobre a planta, que dende a empresa xa advirten que "levará o seu tempo". Despois de facerse cos terreos (nos montes de Menaz, Cardedo, Orosa, Filgueira e Casares) e a solicitude de compatibilidade urbanística, terán lugar os estudos de avaliación de impacto ambiental e a Autorización Ambiental Integrada, a máis exhaustiva. Só nese momento o proxecto se fará público. En resposta a unha pregunta parlamentaria do BNG, o conselleiro de Medio Ambiente, Samuel Juárez, afirmou este mércores que a planta se "adecuará á normativa europea vixente" e que "non existe evidencia ningunha de que o Complexo sexa incompatible coa actividade agrogandeira". |
PRAZA_1063 | Os traballadores e traballadoras galegas do Rexistro Civil manifestaranse este xoves en Compostela e continuarán as mobilizacións ata que o Goberno renuncie ao seu proxecto. Falamos con Pablo Nieves, un dos voceiros da Plataforma Galega en Defensa dun rexistro público | Os traballadores e traballadoras galegas do Rexistro Civil manifestaranse este xoves ás 20 horas en Compostela contra o proxecto do Goberno central de privatizar este servizo, que pasaría a ser xestionado polos rexistradores mercantís e da propiedade. A pesar de que hai dúas semanas o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, anunciou a paralización da reforma, os representantes da Plataforma Galega en Defensa dun rexistro público continúan adiante coas súas mobilizacións, e alertan de que a paralización é só "conxuntural" e que "o ministro de Xustiza non desistiu de privatizar o rexistro". Pablo Nieves, portavoz adxunto da Plataforma, destaca que o principal motivo da paralización do proxecto é a resistencia e as presións dos propios rexistradores da propiedade, que esixen maiores compensacións ou un maior desenvolvemento do actual proceso de dixitalización da base de datos do rexistro. Ademais, alerta de que "o anuncio do ministro tivo un efecto desmobilizador": "A xente escoitou que se paralizaba a reforma e pensou que xa estaba amañado. Pero é unha paralización conxuntural", repite. "A informatización do rexistro civil custou 140 millóns de euros, que pagamos entre todos, para darllo agora de balde aos rexistradores. E mesmo así, eles esixen que se complete o proceso" "Hai partes importantes do rexistro que aínda non están dixitalizadas, practicamente todos os concellos que teñen menos de tres mil habitantes, ou todos os asentos rexistrais anteriores a 1950", explica. "Non é o mesmo que un rexistrador da propiedade xestione o rexistro civil con todos os datos dixitalizados, e que lle dea a un botón, saia impreso un documento e que por iso cobre 12 euros, que que teña que andar buscando un documento do ano 1901 nun arquivo. Para a xestión dunha herdanza ou para a procura de fes de vida este tipo de documentos son necesarios", di. "A informatización do rexistro civil custou 140 millóns de euros, que pagamos entre todos, para darllo agora de balde aos rexistradores. E mesmo así, eles esixen que se complete o proceso", engade. O outro factor que explica a paralización anunciada por Rafael Catalá é a proximidade das eleccións municipais O outro factor que explica a paralización anunciada por Rafael Catalá é a proximidade das eleccións municipais. O rexistro civil é un servizo moi importante para moitos Concellos, e moitos alcaldes -mesmo do Partido Popular- posicionáranse publicamente en contra dunha reforma que podería obrigar os seus veciños e veciñas a desprazarse ata as cidades e grandes vilas para a realización de trámites sinxelos. "É un servizo moi inmediato, que funciona ben e a xente valórao", destaca Pablo Nieves. "Por moito que diga o ministro que o servizo estará accesible dende calquera lugar a través da plataforma dixital que quere desenvolver, de momento iso non é posible. A xente está afeita a ir ao seu Concello a solicitar un documento, e no mesmo día xa o ten. Esa inmediatez non lla vai dar unha plataforma informática. Hai moitas persoas que non teñen acceso a Internet ou que non se manexan ben coas novas tecnoloxías", di. "Esta reforma aféctalles aos cidadáns, non lles afecta aos funcionarios do rexistro, porque como funcionarios pertencen ao corpo de Xustiza e non van perder o seu traballo" A manifestación convocada pola Plataforma partirá da Alameda de Santiago de Compostela ás 20 horas e rematará na Praza do Obradoiro, onde se lerá un manifesto. Á marcha uniranse 12 coches de funerarias que se uniron á loita en defensa do Rexistro Civil. Nieves subliña que máis alá desta manifestación, a actividade da plataforma continuará nas vindeiras semanas e meses, por exemplo so traballo de recollida de apoios para a Iniciativa Lexislativa Popular impusada por CC.OO. e que xa supera as 100.000 sinaturas. "Estamos tendo unha aceptación moi boa. A xente está entendendo moi ben as razóns desta mobilización e os efectos da reforma. Porque esta reforma aféctalles aos cidadáns, non lles afecta aos funcionarios do rexistro, porque como funcionarios pertencen ao corpo de Xustiza e non van perder o seu traballo. Pero estanse mobilizando porque consideran que este é un servizo que hai que defender", afirma. "As taxas non redundaron en beneficio da cidadanía, a xustiza é aínda máis lenta que antes, porque cada vez hai menos medios e funcionarios" "Un servizo privatizado non é un mellor servizo" -engade- "É un servizo que é máis caro e que dificulta esa inmediatez que hoxe ofrece o rexistro civil. Se se privatiza, isto non estaría asegurado". Nieves compara o efecto da privatización do rexistro coas taxas impostas para o acceso á Xustiza: "As taxas non redundaron en beneficio da cidadanía, a xustiza é aínda máis lenta que antes, porque cada vez hai menos medios e funcionarios. O cidadán tivo que pagar dúas veces pola xustiza, nos seus impostos e nas taxas, e non ten un mellor servizo". "Eses 500 millóns de euros que se recadaron en taxas xudiciais en 2014 son un terzo de todo o orzamento de Xustiza para 2015", engade. "No rexistro civil, o mesmo" -conclúe- "A reforma vai mellorar o servizo? Non, só vai beneficiar un grupo moi pequeno de profesionais liberais, os rexistradores". Unha posible privatización tería, ademais, efectos sobre a privacidade dos datos dos cidadáns e cidadás Unha posible privatización tería, ademais, efectos sobre a privacidade dos datos dos cidadáns e cidadás, e a ausencia de filtracións ás empresas non estaría garantida, alerta: "Os datos da cidadanía van ser xestionados por unha empresa privada. Córrese o risco de que se perda o control da custodia de datos. Pensemos na importancia que para un seguro privado pode ter a información sobre os antecedentes familiares de defunción dunha persoa". |
NOS_19695 | A plataforma popular nacida en Catalunya para protestar contra a sentenza do Tribunal Supremo no xuízo ás e aos líderes do 'procès' pide á cidadanía que "reserve" o 9, 11, 12 e 13 de novembro e, tamén, o 18 de decembro, data prevista para o partido de fútbol entre o FC Barcelona e o Real Madrid. | A plataforma popular Tsunami Democrático anunciou esta sexta feira, 25 de outubro, cinco novas mobilizacións para protestar contra a sentenza do Tribunal Supremo no xuízo ás e aos líderes do procès. En concreto, solicita á cidadanía que "reserve" os días 9, 11, 12 e 13 de novembro "xusto antes e despois das eleccións" xerais no Estado, o domingo 10 de novembro; e mais o 18 de decembro, data prevista para o partido de fútbol entre o FC Barcelona e o Real Madrid. 🌊 Guardeu dates:9/11 [a tot l'estat]11/11 [lloc sorpresa]12/11 [lloc sorpresa]13/11 [lloc sorpresa]18/12 [juguem a casa]— Tsunami Democràtic (@tsunami_dem) October 25, 2019 Non obstante, o Tsunami Democrático non ofrece maior información. Simplemente indica que a primeira das mobilizacións, a do 9 de novembro, véspera da cita electoral, desenvolverase "en todo o Estado". Os días 11, 12 e 13, indican será nun "lugar sorpresa"; mentres que ao respecto da data do 18 de decembro, sinalan que "xogamos na casa" de xeito enigmático ao tempo que indicativo. |
NOS_29811 | O informe enviado polo fiscal da Audiencia Nacional di que o preso "non se atopa nunha situación claramente terminal" nin "no último período da súa vida". Pola súa banda, o ministerio Público pediu ao xuíz central de Vixiancia penitenciaria que non libere o preso arrasatearra pois asegura "non cumpre cos requirimentos exixidos pola lexislación vixente". | Aínda que os informes médicos achegados pola equipa sanitaria que atende a Josu Uribetxeberria no Hospital Donostia indicaban que o preso vasco se atopa en fase terminal froito dun cancro irreversíbel, o xuíz central da Audiencia Nacional ditou un informe contrario á excarceración de Uribetxberria argüíndo que o seu estado de saúde non é tan grave e pode ser tratado polos servizos médicos na cadea de Zaballa (Araba). Segundo o fiscal "ningún dos informes médicos que foron achegando fixeron constar, literalmente, que existise perigo patente para a vida do interno" polo que non aplicará o artigo 196.2 do Regulamento Penitenciario. Así mesmo, entende que o terceiro grao recoñecido xa para Josu Uribetxeberria permite "de maneira flexíbel" proporcionar os tratamentos que lle sexan precisos. Doutra banda, o fiscal considera que a privación de liberdade e a estancia na cadea non constitúen "un factor determinante dunha diminución das expectativas de vida". Porén a equipa médica do Hospital Donostia afirmaba no seu informe que o recluso posuía o 90% de posibilidades de falecer antes dun ano. Camiñar a prol da liberdadePersoas da cultura e do ámbito social vasco fixeron pública esta mañá a convocatoria dunha marcha pola liberdade d@s pres@s gravemente enferm@s. A iniciativa percorrerá o camiño que vai desde o Hospital Donostia --ondee se atopa Josu Uribetxeberria-- até Arrasate e desenvolverase en catro etapas. Segundo as persoas convocantes, o obxectivo da marcha é demandar a liberación "por lei e por dereito d@s pres@s con enfermidades graves e incurábeis", polo que pediron que a sociedade participe activamente. |
NOS_11667 | O comité reclama á dirección as contías salariais pactadas no convenio, que se negociou durante dous anos e quedou pendente de asinar | A venda da planta de Faurecia Interior Systems no Porriño a un fondo alemán está a provocar unha forte contestación social por parte dos traballadores e traballadoras desta auxiliar do sector da automoción vigués. Segundo anunciou esta segunda feira o comité de empresa da factoría, a partir desta cuarta feira está convocada unha folga indefinida nas instalación en sinal de protesta pola venda da planta a un fondo alemán, mais tamén pola pretensión da empresa de non pagar contías salariais pactadas no convenio, que se negociou durante dous anos e quedou pendente de asinar. Os traballadores e traballadoras desta empresa de compoñentes de automoción acordaron en asemblea convocar esta folga, cun 94% de apoio, segundo comunicou o sindicato CCOO. Este explicou que esta medida de presión ten a súa razón fundamental na venda da planta ao fondo alemán Callista Private Equity, "de costas á representación legal" do cadro de persoal. Planta viábel Nesta liña, o comité de empresa da factoría defendeu a viabilidade da planta porriñesa e esixiu que os novos propietarios "garantan a totalidade do emprego" existente no momento da venda. Por outra banda, explicaron que outra das razóns que lles leva a convocar esta folga indefinida é o convenio colectivo, que "se leva negociando dous anos e só estaba pendente de asinar". Respecto diso, a representación dos traballadores e traballadoras denunciou que a dirección da planta, ademais de "vender" a fábrica e o cadro, tamén "pretende" non pagar os incrementos salariais pactados nin as diferenzas económicas polos atrasos xerados nestes anos. |
NOS_29302 | Será o terceiro debate da lexislatura e o noveno de Feixoo como presidente. | O Debate do Estado da Nación será a vindeira semana, 25 e 27 deste mes de setembro. Así se fixou na xunta de portavoces na mañá desta terza feira, 18. O 26 será o día da presentación de emendas. Será o terceiro debate da lexislatura e o noveno de Feixoo como presidente. Dura tres xornadas, con réplicas dos agora catro grupos da oposición -PSdeG, Grupo Común da Esquerda, BNG e grupo mixto- e o debate e votación dun ditame. |
NOS_29994 | "Sinxeleza estrutural" e "estilo deputado" son dúas da características que o xurado do Premio Narrativa Breve de Repsol salientou esta cuarta feira de Diario dun enterro. O seu autor é Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo, 1987), quen até agora só publicara aclamados libros de poemas. | Para o que será a súa estrea en narrativa, Hermo "afonda nun tema universal como son os rituais da morte e os seu impacto nos roles familiares". "Debuxa un personaxe protagonista que asume unha oposición ás identidades tradicionalmente atribuídas á súa orixe", engade o fallo, quen tamén menciona o equilibrio entre fondo e forma, a regularidade do edificio narrativo, a veracidade dos diálogos e a honestidade da mirada sobre os personaxes. O xurado do galardón -convocado pola Fundación Repsol coa colaboración de Política Lingüística, a Academia, a AELG e Galaxia- conformárono as escritoras Anxos Sumai e Berta Dávila, o académico e dramaturgo Euloxio R. Ruibal, a profesora e crítica Dolores Vilavedra e o editor e escritor Carlos Lema. Dotado con 12.000 euros, Galaxia encargarase da publicación. Gonzalo Hermo, filólogo e traballador do sector editorial, publicou as obras poéticas Crac (2011), Celebración (2014) -premio Nacional de Literatura de Poesía Nova do Ministerio de Cultura- e mais A vida salvaxe 2018). |
PRAZA_5532 | Xulio Pardo de Neyra vén de publicar en Edicións Postivas Intensa e quente é a túa humidade azul, que el mesmo define como "a primeira novela pornográfica da literatura galega". | "Unha das fantasías masculinas máis recorrentes é pensar que calquera se pode comunicar coa súa pirola. Creo que todos e todas, homes, mulleres e elementos, vimos nalgunha ocasión a imaxe dun home que fala co rabo, mesmo existen parellas de todo tipo que lle poñen nome aos seus carallos". Así comeza Intensa e quente é a túa humidade azul, a novela que vén de publicar en Edicións Positivas Xulio Pardo de Neyra, profesor da UDC. Unha historia de amor, "unha relación sexual de dominación e submisión" que el mesmo define como "a primeira novela pornográfica da literatura galega". Sexa ou non a primeira, e alén da fronteira que se pode establecer entre erotismo e pornografía, a obra achega un novo título a unha lista non demasiado longa de novelas en galego nas que o sexo é protagonista. Precisamente Edicións Positivas, a través da súa colección e premio de literatura erótica Narrativas Quentes, foron nos últimos anos os grandes motores deste xénero en Galicia. Sexa pola pouca comida ou pola moita fame, o certo é que a pasada semana Intensa e quente é a túa humidade azul foi un dos éxitos da feira do libro de Santiago (conta Paco Macías, o editor, que só na presentación se venderon 33 exemplares). O 22 de maio presentarase en Pontevedra, e despois continuará o seu camiño por outras feiras do libro ao longo do verán, "tamén en Lugo, que vai ser a praza máis difícil, por ser eu de alí" -di Xulio Pardo de Neyra- "a ver se non provo Defines o libro como unha "novela pornográfica"? Por que pornográfica e non erótica, por exemplo? É complexo, si, porque os límites entre erotismo e pornografía son particulares, é difícil establecelos. Ademais a pornografía está considerada como un xénero maldito ou case ilegal, puníbel. Pero eu considero que un texto erótico é aquel que suxire, algo incitante, e en cambio un texto pornográfico é aquel que mostra, e polo tanto é máis excitante que incitante. Esta novela podería ser erótica, pero nela cóntase unha historia e cóntase absolutamente todo o que ocorre, sen límites. O outro día na presentación do libro preguntábame: 'este é un libro no que se fala de penes e de vulvas?'. E non, este é un libro no que se fala de actos sexuais explícitos sen ningún tipo de eufemismos e sen esa xerga médica. Fálase como se fala na realidade: un cando está fodendo non di 'voute lamber a vaxina'. O sexo non é algo morno, nin cursi, nin requintado. "Este é un libro no que se fala de actos sexuais explícitos sen ningún tipo de eufemismos e sen esa xerga médica" Que conta a novela? Cal é a historia? É unha historia de amor entre dúas persoas: unha muller moi nova e un home maior. É unha historia dunha fascinación física que rapidamente desemboca nunha relación sexual de dominación e submisión, un xogo sexual de dominación e submisión. Xa me preguntaron a respecto disto sobre a visión que dá da muller. Pero hai moito descoñecemento do mundo BDSM; hai xente que considera que é un mundo de maltrato á muller ou ao home submisos, pero trátase simplemente dunha práctica sexual non convencional, algo co que unha persoa ou unha parella gozan. "É unha historia dunha fascinación física que rapidamente desemboca nunha relación sexual de dominación e submisión, un xogo sexual de dominación e submisión" Ten boa saúde a literatura erótica ou pornográfica na actualidade? Hai uns anos chegárase a falar dunha crise importante, pero nos últimos tempos certas temáticas sexuais mesmo están adquirindo a categoría de best-seller, como nos casos das 50 sombras de Grey... Eu creo que hoxe os contidos sexuais non están en crise en absoluto. Se cadra tamén é pola situación económica. Din que a fame agudiza o enxeño e poida que a xente estea máis receptiva a gozar, e a fin de contas foder é unha das poucas cousas gratis que podemos facer. Eu teño que recoñecer que non lin as novelas das 50 sombras de Grey, nin tampouco lin a Corín Tellado ou a Danielle Steel, toda esa liña de best-sellers. Lembro un artigo de Francisco Castro, que publicou hai uns meses en Praza, titulado "Le o meu libro e córrete", no que falaba das 50 sombras de Grey. Pois a min encantaríame que alguén se correse lendo o meu libro. No que respecta ao mundo do sexo non convencional, pode que si estea de moda, como unha forma de escapatoria da realidade. Ao final no sexo cada un ten as súas apetencias, cousas que lle excitan especialmente. Hai a quen lle gusta facelo coa luz apagada, hai a quen lle gusta disfrazarse, hai a quen lle gusta que lle dean cunha fusta e mesmo, como aínda escoitei o outro día na tele, hai quen cando se corre berra 'Arriba España'. Cada un é cada un. "Din que a fame agudiza o enxeño e poida que a xente estea máis receptiva a gozar, e a fin de contas foder é unha das poucas cousas gratis que podemos facer" E en galego? Dá a impresión de que é un xénero que fóra do publicado por Positivas na súa colección de Narrativas Quentes non hai un gran corpus. O galego é unha lingua que serve absolutamente para todo, tamén para o sexo. E é algo que está demostrado dende as cantigas medievais, que xa tiñan un contido sexual moi importante. Eu digo que a miña é a primeira novela pornográfica da literatura galega, porque hai novelas eróticas, ou poemarios, relatos..., e xa na Idade Media hai textos que falan de prácticas sexuais con xoguetes, coma o carallo francés, ou de violacións consentidas. Pero non se chegara ao nivel da pornografía, da que si hai moita tradición en Europa, por exemplo a través de George Bataille ou Pauline Réage. Hai unha traxectoria en galego, pero eu botaba en falta algo. Hai quen escribiu que non hai nada máis erótico que un capítulo de Anna Karenina no que os personaxes entran nun cuarto e quedan a soas. Pois para min non, a min non me vale. Quizais é porque os homes necesitamos outro tipo de impulsos para excitarnos, non somos tan sutís. "Seguramente os homes somos máis visuais, non nos conformamos coa imaxinación, necesitamos estímulos máis directos" Cres que hai moita diferenza entre os homes e as mulleres á hora de relacionarse co sexo escrito, coa literatura que fala de sexo? Si, creo que si. Seguramente os homes somos máis visuais, non nos conformamos coa imaxinación, necesitamos estímulos máis directos. O porno é machista porque está orientado cara aos homes; a muller nesas gravacións é un obxecto simplemente. Pero hai porno dirixido a mulleres, por exemplo o que fai Erika Lust, que é diferente, máis complexo, no que se conta unha historia. O coidado da lingua, a elección das palabras, é algo fundamental á hora de escribir sobre sexo, non si? O galego é unha lingua rica para isto? Eu penso que si. Eu vivín en Cáceres varios anos, dando aulas, e moitas veces non me entendían ao falar, porque o galego é unha lingua moi rica en imaxes, moi gráfica, moito máis lírica e poética. Podes ler aquí o comezo da novela (.pdf) |
QUEPASA_407 | Algo pasa en Muros, que das unha patada a unha pedra e sae un músico. Levan anos varios elementos aliñándose para crear un caldo de cultivo no que agroma a cultura por todas partes. Un deses elementos é a Sala Nasmo, fundamental para que saian adiante bandas como Lisdexia,, Archivo Adxunto, Romero, The Rapants… Queremos coñecer de preto á persoa que leva case 10 anos facendo realidade un proxecto especial, unha factoría que quen sabe se será lembrada en Galicia como Motown do indie galaico. | QPC: Que é exactamente a Sala Nasmo? É unha nave de apoio social á mocidade, construída sobre unha antiga escola unitaria en Baño. Consta de dúas partes, é multidisplinar: na parte de abaixo hai dúas salas de ensaio bastante equipadas e un pequeno estudo de gravación. Arriba ten un aula de informática aberta a todo o mundo. Tamén hai unha sala multidisciplinar para facer cursos, abertas a entidades sociais e culturais. QPC: Cando, como e por que nace? A Sala Nasmo nace 2010, a raíz da rede Nsaio que abrira Deputación, da que a maioría feneceron, gracias ao traballo de David Pastoriza dende o Concello, un dos creadores xunto con Lisardo do Castelo Rock. Nós somos un dos poucos espazos que sobrevive. Nace pola necesidade dun espazo para tocar. Si que había algunha casa vellas onde a rapazada podía tocar pero non había condicións boas, sendo máis molestias que outra cousa para os propios rapaces e para os veciños. Deuse vida así ao edificio, cunha normativa interna, na que as bandas, que ten un 75% de nados en Muros, poida ter un sitio con amplificadores, baterías… e demais e poder tocar nun lugar acondicionado. E ademais poder, a base de moito traballo e cabezonería, aproveitar este estudio de gravación que imos sacando adiante. QPC: Como sobrevive a Nasmo? Sobrevive na precariedade ou vive con normalidade? Que sería necesario para afianzalo defintivamente? Na nasmo traballo eu só de encargado do espazo, facendo un pouco de todo, botando unha man no que se poda. É un local municipal, e aínda que eu son bastante crítico para todo, teño que recoñecer que hai que agradecer co compromiso de mantelo vivo. Porque sei que é un proxecto que non dá resultados cuantificables. Este grupo de goberno actual temos bastante apoio. Temos unha Noite de Rock para que as bandas da sala mostre a súa música, e a xente queda encantada. Porque non temos salas para actuar en directo, xa non hai bares, o Centro Xuvenil é rollo teatro… Para afianzalo definitivamente hai que contar co apoio municipal, porque require un mantenimento importante. Pero temos a sorte de que a rapazada, sobre todo os máis maiores, están acostumados a tocar en cortellos, e si valoran moito que existan cousas como a Nasmo, e son os primeiros interesados en coidar o espazo.Así que para seguir haberá que seguir batallando, buscar contactos, apoios... e seguir sacando adiante bandas que espallen a cultura musical e o nome de Muros por aí, para aportarlle ao Concello o que o Concello nos aporta a nós. QPC: Que significa ter este servizo para a xente musiqueira de Muros? Vaise facendo como unha institución. Sempre lles digo aos rapaces que a Nasmo son eles, porque sen xente non funciona. Un técnico sen músicos non é nada. Temos rapaces que estudan en vilas do país que baixan a Muros porque está a Nasmo. Conseguimos ese vínculo co que se sinten identificados e iso é fantástico. Os chavales andan sempre mentendo nas redes sociais etiquetas de #SempredaNasmo, e para min é un orgullo. Penso que dende as institucións teñen que coidar estas cousas porque proxectos como a Nasmo non son só proxectos musicais, se non que ademais son sociais, porque a xente está con cabeza adecuada, e non se meten noutras cousas que están moi cedo. Eu son pai de familia, teño dous fillos e me gustaría que os meus nenos estean máis pendentes dun espazo así que tendo moito tempo libre que os poida mandar por camiños que todos coñecemos. Precisamente a Nasmo non é só música. Hai moitas bandas como Pintura Plástica, Deleiba ou Maestro que non veñen agora mesmo á Nasmo (porque ten unhas normas de convivencia e prefiren ter o seu espazo; ou teñen formado xa bandas antes), pero si forman parte da familia Nasmo. O outras como Ximiela, Saranía… que son demasiados para entrar nos espazos… Pero é que hai un tecido musical moi forte en Muros, de todos os tipos. E niso influíu que hai bandas históricas, como os Fieles, Miúdos, Estampida, Trapos Sucios, Terbutalina agora tamén, que son exemplos fantásticos para a mocidade da zona. Así saíron bandas como Arquivo Adxunto que empezaron comigo sen saber coller unha guitarra e este ano van ao Resu. Iso para un Concello é un privilexio. QPC: Parece que a combinación "Escola de Música (véxase a de Muros ou a de Carnota) + Festival como o Castelo Rock + Estudo como a Nasmo" serve de viveiro musiqueiro inmellorable, non? Axuda moitísimo a que haia un viveiro. Ao principio nós creamos a necesidade de facer bandas para aproveitar o espazo. Na Escola de Música é fantástico a vantaxe que teñen os rapaces que pasaron por ela, e aquí comparten eso e o poñen. O Castelo Rock, dende o 2012 empezaron a levar bandas de aquí e tamén é un aliciente. Estar todo un ano metido nunha sala de ensaio para despois non sacar o teu traballo non é moi convinte. Ensaiar machaca, pero se non tes unhas metas, como esa Noite de Rock, para que espabiles, non te motivas. Eu sempre os intento que teñan ese pique para que a banda soe como un cañón, todo un como un só. Temos un momento inmellorable en Muros, que imos intentar aproveitar. Pero bueno, estamos bastante lonxe de todo nos faltaría meterse na roda de festivais. Iso é un círculo bastante pechado porque sempre andan as mesmas bandas, pero hai que ir pelexando pico e pala a ver se algún contacto nos mira e nos leva máis bandas para arriba. QPC: De xeito incide cada unha destas tres pezas no puzzle da música muradá? A Escola de Música é a formación, onde tamén hai que lembrar os vimbios de todo isto, as bandas de sempre deixounos ver que calquera podía tocar, e iso axudou a moita xente a lanzarse. Temos moitas bandas que se crearon arredor de Trapos, que medraron coa súa música, igual que agora está pasando con Terbutalina. Bandas que xeneran ese efecto de proximidade, que o coñeces persoalmente e despois o ves no escenario e si que che impacta e te inflúe. Non é que o vaias copiar pero si te fixas. A Nasmo é un espazo aberto, non nos comparamos cos grandes, pero batallando e con cariño tiramos para adiante e intentanmos sacar produtos bos. O Castelo é un festival dos grandes de Galicia, un evento dos máis importantes de Muros. A xente medrou con el e acabar tocando nel faille moita ilusión. En resumo, en Muros hai xente moi válida para a música, e había esa necesidad ede sitios que se foron creando por inercia e agora axudan moito no tema musical e cultural. QPC: Cantas bandas teñen pasado polo estudio? Agora temos 11 bandas. Teñen pasado un lote de bandas. Temos un estudio bastante básico, pero lle sacamos o máximo beneficio ao equipo que temos. Pasaron un lote de bandas, desiféronse, volvéronse formar… Pasaron e seguirán pasando, espero. De todos os xeitos, é complicado, porque no estudio xorden os problemas entre as bandas, porque a xente ponse nerviosa ao gravarse el só, a metrónomo… ao xuntarse con máis pistas saen as cousas que están ben feitas e as que non. QPC: Cal foi a primeira banda que gravaches? A primeira banda que gravei foi Os Desterrados, non hai que os tumbe, son como o típico vello que sae a sachar, pode estar mellor ou peor, pero segue. Eles seguen aí, uns anos mellor que outros. Tamén fixera Socios a la fuerza, ou Colisión Frontal. QPC: E a última? Acabamos hai dúas semanas o disco de Arquivo Adxunto e xa estamos con The Rapants, que van sacar un disco moi chulo. É un grupo sen prexuízos, Están moi de moda, con camisas de flores e pantalóns cos tobillos… é un grupo moi válido e imos intentar colocalos aí. Despois tocará Lisdexia, que teñen novo disco. Isto é un non parar. E espero que siga así moitos anos. QPC: Que tipos de música se mesturan nas mesas da Nasmo? Temos de todo. Isto é como un ultramarinos. Eu son hevocho, metalero, roqueiro de sempre, pero fago de todo, non me cerro a nada e fago unha dos Rapants ou unha de gaitas por igual, e bótolle o mesmo cariño a todo. Temos dende homes de 70 anos que veñen con grupos folclóricos como Faltriqueira, ata rapaces de 16-18 anos que tocan death etal, punki, rock, indie… menos trap ou rap, temos de todo. E máis que houbera, eu encantado. Aproveito para facer un chamanento a rapaces máis novos, chicas, que xa tivemos grupos de chicas… Temos horas libres e a rapazada a partir de 10-11 anos xa poden ir aproveitando isto. Máis novas musiqueiras The Rapants saen de Xira Capital: "As frases pegadizas e os bailes esperpénticos son o noso sello de identidade". "A Sala Nasmo é un servizo crucial para o nacemento de bandas como Deleiba. Chejar e encher, xa na rúa o primeiro disco da banda muradá Lisdexia. As bandas muradás Lisdexia e The Rapants gradúanse con Teen Records. A Bisicleta, outro hit da factoria #SalaNasmo. RqR, unha fusión musical muradá entre o bonito e o duro de roer. Despaciño, o novo éxito de Arguzu Vevo. A Bisicleta, outro hit da factoria #SalaNasmo. 2015: Terbutalina publica o seu primeiro disco en vinilo. 2015: Terbutalina, Mellor Álbum en galego dos Premios da Música Independiente. 2015: Muros bótase á risa e o humor con PahieCulo e Archivo Adxunto. 2014: Maestro Romero, un par de músicos muradáns con pouca vergoña e moito sentimento. 2014: Un par de dilleis nas cavernas de Muros. |
NOS_25250 | Emma Couceiro dará a coñecer algúns dos seus novos poemas. | A Horta das Chás supuxo na súa inauguración a apertura dun ámbito privado de gran singularidade no centro de Compostela. Trátase dun predio de seiscentos metros cadrados, situado no soto do número 37 da Corredoira da Fraguas, que forma parte dunha área de cultivos entre as rúas Quiroga Palacios, Vedor, Ferreiro Leis, Clavixo e Fraguas. A denominación de Horta das Chas recolle a disposición en socalcos deste predio, onde tamén se asenta unha das institucións máis activas do barrio de San Pedro, a asociación A Xuntanza. Aínda que este espazo alternativo para a poesía ficou inaugurado en xuño de 2020, a pandemia obrigou a adiar a posta en marcha do seu programa e só este ano comezou a ser efectivo. Tras as celebracións, o pasado 28 de xuño, do sexto aniversario da editorial Chan da Pólvora, o programa estábel botou a andar o 24 de xullo con Clo Plas, un proxecto performativo impulsado pola poeta Xiana Arias e Berio Molina. Chan da Pólvora celebra seis anos de vida reabrindo a súa Horta das Chas O programa continúa este 25 de agosto con Emma Couceiro, que dará a coñecer algúns dos seus últimos poemas. Nacida en Cospeito (1977), Emma Couceiro é autora dalgúns dos poemarios de referencia da denominada Xeración dos 90, como Humidosas e As estrañas horas. O seu último título, Cito, apareceu hai case vinte anos e marcou o inicio dun silencio que "só agora parece chegar ao seu fin". O día 26, será a quenda de Afonso Traficante. O artista naceu en Ferrol, pero séntese de Ordes, a vila na que medrou e na que sentiu a chamada da música e da poesía, as dúas expresións que dominan no seu marco creativo. Virtuoso do vibráfono, instrumento no que se perfeccionou en Portugal, Traficante é unha das voces da poesía recente galega que é capaz de crear atmosferas de cadencia enigmática. Para a Horta das Chas preparou un espectáculo no que recita ao vivo sobre unha música que compuxo previamente. Será, de feito, a súa primeira incursión na música electrónica. Xa en setembro, será a quenda de Miro Villar, o día 8, cando achegará ao público a súa obra máis recente; e de Rafael Lobelle (16 de setembro); Ana Romaní e Chus Silva (17 de setembro); Cesáreo Sánchez (21 de setembro); Alicia Fernández e Eduard Velasco (23 de setembro); Lorena Souto (29 de setembro); e o grupo das Lupercais (30 de setembro). |
PRAZA_10830 | Producido polo estudio coruñés Gato Salvaje, trátase da maior produción da industria do videoxogo en Galicia, cun orzamento de máis de dous millóns de euros. Está ambientado en paisaxes galegas reais e baséase na mitoloxía celta e no Camiño de Santiago. | Xa falta menos para que o videoxogo 'The Waylanders', desenvolvido polo estudio coruñés Gato Salvaje, estea dispoñible. Ambientado na Galicia celta e medieval, está previsto que esta superprodución, que conta cun orzamento de dous millóns de euros, chegue ás tendas no ano 2020. O equipo de Gato Salvaje estivo os últimos días na Gamescom de Colonia (Alemaña), a máis importante feira de videoxogos do mundo, amosando os avances da produción, xa moi avanzada. Na feira Gamescom presentou o primeiro teaser cinemático do videoxogo e un gameplay que permite comprobar o aspecto que presentará finalmenteAdemais de presentar o primeiro teaser cinemático do videoxogo e un gameplay que permite comprobar o aspecto e a xogabilidade que presentará finalmente, Gato Salvaje deu conta das últimas incorporacións ao proxecto, con nomes de primeiro nivel, como Chris Avellone (Fallout, Star Wars: Jedi Fallen Order, Vampire: The Masquerade - Bloodlines 2) e Emily Grace Buck (The Walking Dead) no equipo de guion. E de Inon Zur (Fallout, gañador dun premio Emmy e nominado a 3 premios BAFTA) encargándose da banda sonora como Lead Music Artist do proxecto. O equipo xa contaba con autores de prestixio internacional como Mike Laidlaw. O videoxogo prevé estar dispoñible en inglés, castelán e galego e baralla así mesmo a incorporación doutras linguaThe Waylanders é un xogo RPG de fantasía que inclúe referencias a lendas galegas e mitoloxía céltica e ao propio Camiño de Santiago, que os xogadores deben defender. As localizacións que aparecen no xogo están inspiradas en lugares existentes realmente en Galicia, dende castros e carballeiras, pasando pola Catedral de Santiago, a Torre de Hércules ou o Cabo Fisterra, froito do traballo de investigación e deseño que o equipo, no que traballan ata 38 persoas, vén levando a cabo nos últimos meses. O videoxogo prevé estar dispoñible en inglés, castelán e galego e baralla así mesmo a incorporación doutras linguas, como o francés e o alemán.No desenvolvemento deste xogo a compañía incorporou creativos procedentes de empresas de todo o Estado e mesmo The Waylanders, que xa está a ser comparado con títulos como Dragon Age ou Neverwinter Nights 2, inclúe na súa construción o uso do sistema de captura de movementos de Xsens, para dotar de maior realismo ás accións dos personaxes. The Waylanders viaxa entre dúas diferentes épocas, celta e medievalThe Waylanders viaxa entre dúas diferentes épocas, celta e medieval. "As eleccións que se fagan nun período de tempo teñen consecuencias no outro, de xeito que os xogadores sentirán o impacto das súas decisións de formas sorprendentes e impactantes", explican dende Gato Salvaje. Permite, ademais desenvolver 5 carreiras xogables, baseadas na mitoloxía celta, cunha completa personalización dos personaxes. O estudio destaca tamén o papel dos 'compañeiros de viaxe', cos que o xogador ou xogadora poderá "falar, descubrir en profundidade o seu pasado, realizar misións de lealdade e mesmo experimentar romances con eles".Gato Salvaje presentou en 2010 o seu primeiro videoxogo, AR-K, que buscou lanzar a través de Kickstarter, algo que conseguiu finalmente en 2013, conseguindo máis de 100.000 euros nesa campaña de micromecenado. En 2014 presentou o segundo episodio do xogo e en 2015 chegou o terceiro, La Gran Evasión. No ano 2016 Gato Salvaje puxo en Stream o primeiro videoxogo en galego desta plataforma, Bullshot. |
NOS_53156 | Segundo os resultados provisionais, o Bloque Quebequés conseguiría o mellor resultado electoral da última década ao pasar de 10 a 32 cadeiras. O seu líder, Yves-François Blanchet, pediu esta segunda feira, 21 de outubro, "a liberación dos presos políticos cataláns". O Partido Liberal, do actual primeiro ministro, Justin Trudeau, proclamaríase vencedor mais non chegaría á maioría absoluta. | O Partido Liberal de Canadá, liderado polo actual primeiro ministro do país, Justin Trudeau, proclamouse vencedor das eleccións xerais organizadas no país norteamericano esta pasada segunda feira, 22 de outubro, segundo os resultados provisionais. Os liberais obterían 156 dos 338 escanos (184, en 2015) da Cámara Baixa do Parlamento, 14 menos dos necesarios para gobernar sen o apoio doutros grupos políticos. En segundo lugar acabou o Partido Conservador, con 122 deputados e deputadas, fronte ás 99 de 2015. E malia baixar de 39 a 24 escanos, sendo a cuarta formación máis votada, o socialdemócrata Novo Partido Democráta de Jagmeet Singh podería ser decisivo para formar Goberno. A sorpresa deuna o soberanismo quebequés, ao que se lle auguraba un progresivo esmorecemento. O Bloque Quebequés (Bloc Québécois, en francés, BQ) foi terceiro, con 32 representantes, logrando o seu mellor resultado electoral da última década. Nos comicios de 2015 conseguira apenas 10 representantes. "Liberación dos presos políticos cataláns" "Demando ao novo primeiro ministro, de forma solemne e formal, que pida a liberación dos presos políticos cataláns e que esixa o final da violencia contra os civís nunha nación que está entre as máis pacíficas do mundo", afirmou o líder do BQ, Yves-François Blanchet, no seu discurso tras coñecer os resultados preliminares das eleccións. O socialdemócrata BQ, fundado en 1991, é o único representante do independentismo de Quebec na política federal. Nas lexislativas de 1993, logrou 54 das 78 representantes en xogo en Quebec. Desde aquela, a popularidade do BQ foi a menos debido ás loitas internas. O momento máis crítico xurdiu despois da elección de Martine Ouellet como líder do partido en 2017, o que levou á rebelión de sete deputadas e deputados e á posterior renuncia ao cargo de Ouellet. En xaneiro de 2019, Yves-François Blanchet foi elixido como novo líder do BQ. Tras coñecer os resultados provisorios abriuse a colaborar co Goberno de Trudeau "se o que propón é bo para o Quebec", aínda que desbotou que foran a participar nunha coalición. O resultado de 32 escanos permite ao BQ recuperar o seu estatus de partido oficial na Cámara dos Comúns de Ottawa, así como o orzamento parlamentario e o tempo de palabra, privilexios reservados para as formación que logran un mínimo de 12 representantes. |
QUEPASA_806 | Feijoo presentou tamén as excepcións ás restricións para Fin de Ano | Coa incorporación de Carnota e Muros ao mapa de restricións, son 9 os concellos en nivel medio alto (Camariñas, Vimianzo, Zas, Santa Comba, Dumbría, Mazaricos, Fisterra, Carnota e Muros). Concellos que teñen a hostalería aberta ata ás 17:00 horas, cun 30% de aforo no interior e 50% no exterior, e con agrupacións de máximo 4 persoas, ademais de ter restricións de mobilidade. Así o anunciaba hoxe o presidente da Xunta e o publicaba no DOG a última hora deste martes 29, mentres anunciaba a excepcións das restricións para este Fin de Ano, moi semellantes ás de Noiteboa. Entre as 0:00h do 30 de decembro e as 23:00 do 1 de xaneiro, permítese a mobilidade para encontros familiares. Entre as 0:00h do 30 de decembro e as 23:00 do 1 de xaneiro a hostalería pode abrir ata as 18:00h nos concellos con restriciós altas e medio-altos (Camariñas, Vimianzo, Zas, Santa Comba, Dumbría, Mazaricos, Fisterra, Carnota e Muros). O día 31, a noite de Fin de ano, o toque de queda é ata as 1:30h. Peches perimetrais Así quedan os peches costeiros Camariñas, Vimianzo e Zas. Mazaricos, Santa Comba e Negreira. Peches individuais: Carnota, Muros, Fisterra e Dumbría. |
NOS_56931 | Unha xornada organizada pola CIG-Ensino e a AS-PG en Compostela contrasta a situación do galego nas aulas coa do catalán e o éuscaro, cando se fan dez anos do Decreto de Plurilingüismo, máis coñecido como "o decreto anti-galego", instaurado polo Goberno de Alberto Núñez Feixoo desde a Xunta da Galiza. | Sob o título 'O ensino en galego, o galego no ensino" decorre este sábado 25 de xaneiro a xornada organizada pola CIG-Ensino e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) na que se analiza a situación da lingua galega nas aulas, precisamente no curso en que se fan dez anos da implantación do Decreto de Plurilingüismo polo Goberno de Alberto Núñez Feixoo. Desde a CIG lembran os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que amosan o declive que sofre o galego ante "unha Administración que nin sequera cumpre co mandato do propio decreto de avaliar e pór os medios para que isto non se dea", denuncia o sindicato. A xornada está dirixida a docentes e ten lugar no IES As Fontiñas da capital galega. Para tratar precisamente a situación do galego no ensino público entre as relatoras atópase Pilar García Negro, profesora da Universidade da Coruña e escritora, coa palestra 'A lingua galega no ensino. Acomodación ou normalización?'. Co obxectivo de contrastar a situación co que está ocorrendo en Catalunya, Pere Mayáns, xefe de Apoios e Recursos Lingüísticos da Consellaría de Enseyament da Generalitat, imparte a palestra 'A escola no proceso de normalización lingüística do catalán'. Tamén está Paul Bilbao, secretario xeral de Kontseilua, coa ponencia 'Competencia na lingua propia no sistema educativo da Comunidade Autónoma Vasca: luces e sombras'. 'Abrir as portas a un novo tempo' é o título da intervención da profesora e escritora Mercedes Queixas Zas e farase ademais unha posta en común de experiencias normalizadoras do profesorado do ensino público naqueles ámbitos nos que o Decreto máis negativamente incidiu, como é a educación infantil, matemáticas, actividades complementarias, equipos de dinamización da lingua galega ou no plan lingüístico de centro. Así, queren as entidades organizadoras pechar estas xornadas "en positivo", vendo como o profesorado "está a enfrontar estes ataques normativos a través de iniciativas nestes cinco ámbitos". |
NOS_28345 | A instrutora non admite as probas testificais solicitadas pol@s activistas e intenta impedir que poidan rebater directamente a versión policial. | A defensa da anciá coruñesa Aurelia Rei contra o intento de despexala do seu piso no centro da Coruña segue a provocar noticias. A proposta de sanción por 600 euros a oito persoas que participaron da mobilización popular contra o desafiuzamento -e que conseguiu frealo- que presentou a Delegación do Goberno español en Galiza e que afectou, entre outr@s, ao portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, ou aos concelleiros Xosé Manuel Carril (BNG) ou César Santiso (EU) camiña por vía xudicial, posto que @s afectad@s terán que presentar novas alegacións unha vez que a xuíza instrutora descartou algunhas das xa presentadas. A instrutora rexeitou probas testificais requeridas pola defensa d@s activistas, polo que a policía presentará un informe dos feitos mentres que @s multad@s só poderán facer unha declaración xurada, pero sen ter a posibilidade de contestar directamente a declaración policial, o que se considera que garante mellor os dereitos d@s acusad@s. Porén, esta posibilidade foi negada pola xuíza, así que se presentarán novas alegacións. A defensa d@s sancionad@s tamén critica que apenas se argumente os motivos que levan a sancionar ás persoas que se opuxeron ao despexo hai xa seis meses. |
NOS_27073 | En setembro saíra a primeira novela en español do escritor e articulista Xosé Carlos Caneiro. Con "Las arañas en Berlín" o escritor publica por vez primeira unha novela en español despois de ter abandonado o galego nos seus artigos malia ser un destacado editorialista da RG. O propio Xosé Carlos Caneiro fai uns apuntamentos a esta información no apartado de comentarios. | Con "Las arañas en Berlín" Xosé Carlos Caneiro atravesa a liña para se converter nun escritor que emprega xa o español para a escrita literaria, unha vez abandonara a lingua xa en boa parte da súa produción de artigos xornalísticos. O propio escritor avanzou a publicación de "Las arañas de Berlín" en setembro a través da súa conta de twitter na que tamén anunciou a saída estes días de "As máscaras de Ulises", unha antoloxía de contos editada por Galaxia. Columnista de cabeceira de La Voz de Galiza, tertuliano da Radio Galega e editorialista da súa tertulia nocturna que pecha cada día, Xosé Carlos Caneiro tense destacado polo seu claro apoio ao PP, alén de pola crítica feroz ao nacionalismo. "La supuesta superioridad moral del nacionalismo gallego es enfermiza. Acabarán creyéndose, en verdad, que son los únicos que aman este país", escribiu recentemente no seu twitter, no que tamén predomina o español na escrita dos chíos nos que tamén protagonizou agrias polémicas. Recentemente destacouse por defender a Feijóo despois de seren publicadas as fotos no iate co narcotraficante Dorado e por ter definido o Conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez como "dilixente e laborioso". O seu espectáculo "Despois de ti, a chuvia" foi o escollido polo departamento dirixido por Xesús Vázquez para conmemorar o pasado 21 demarzo o Día da Poesía na Cidade da Cultura. Non é a primeira vez que Caneiro actúa na CdC xa que a súa poesía entrou tamén no programa dos "Atardeceres do Gaiás". O escritor está a ser especialmente privilexiado nos últimos anos pola Consellaría de Cultura e, exemplo diso é que até o mesmo director xeral se desprazara á Casa de Galiza de Madrid para participar na presentación institucional do seu volume "El libro de los besos y de la niebla" en 2011. |
QUEPASA_1112 | A crise climática chega aos Concellos da Costa a través dun grupo de mestres #Teachersforfuture. | Dentro da "Semana de folga global polo clima", Boca de Sapo, comunidade ecosocial e cultural con base en Corcubión, quere desenvolver unha serie de accións tanto no eido escolar, como fixeron no mes de maio, como no eido social. c Por unha banda, co obxectivo de axudar a dinamizar o debate sobre a urxencia climática dentro da comunidade escolar teñen habilitado un repositorio audiovisual que alberga 150 imaxes das manifestacións e accións que se están levando a cabo durante esta semana nas distintas partes do mundo. Este repositorio de imaxes móstrase mediante un proxector na biblioteca do CEIP Praia de Quenxe en horario escolar desde o luns 23 ata o venres 27.Durante os recreos permanece aberto e dispoñible ao alumnado e un profesor/a do centro garda o lugar e atende as preguntas e dúbidas do alumnado. Os e as docentes que así o desexan visitan a biblioteca para mostrar o material ao alumnado e debater con eles e elas a problemática ante a que nos atopamos. Proxección pública Doutra banda, co obxectivo de dar visibilidade a estas movilizaciones globais e xerar conciencia e debate tamén entre os veciños e veciñas de Corcubión programouse unha proxección pública deste repositorio de imaxes na praza principal da vila, Praza de Castelao, o venres 27 ás 21:00h. Algúns dos membros da comunidade Boca de Sapo estarán dispoñibles para conversar, debater e responder ás preguntas e cuestións dos veciños e veciñas. Ademais, María Bella, membro da comunidade ecosocial publicou un artigo de reflexión no diario digital QPC suxerindo camiños polo cambio. |
PRAZA_4084 | Responsables municipais das dúas beiras do Miño piden coordinación no desconfinamento aos dous estados e asumen que a libre circulación tardará en volver | Responsables municipais das dúas beiras do Miño piden coordinación no desconfinamento aos dous estados e asumen que a libre circulación tardará en volverTodos os pasos fronteirizos entre Galicia e Portugal agás os de Tui-Valença e Verín-Chaves están pechados desde mediados de marzo, pero traballadores e traballadoras transfronteirizos de toda a raia seguen a desprazarse a diario aos seus postos ao outro lado, o que lles implica ter que recorrer moitos máis quilómetros do habitual para empregar os dous únicos puntos habilitados. O inicio do desconfinamento aos dous lados da raia fai que os concellos galegos e as cámaras municipais portuguesas integrantes do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) do Río Miño, creado en 2018 co 26 municipios das dúas beiras do río, reclamen aos gobernos de Madrid e Lisboa a "apertura de novos pasos fronteirizos como medida de alivio" para esas persoas.Uxío Benítez, deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra que dirixe a AECT, salienta a unanimidade dos responsables municipais das dúas beiras da raia que, reunidos por videoconferencia, coincidiron na petición. Permitiría evitar "distancias de máis de 60 quilómetros entre a ida e volta para poder chegar ata polígonos ou empresas que de outro xeito quedaban a escasa distancia dos seus domicilios", segundo salienta a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, que ve como a ponte que une esa vila coa portuguesa de Vila Nova de Cerveira está pechada. "Debemos asumir que, infelizmente esta crise pódese prolongar no tempo polo que a seguridade sanitaria é imprescidible", di o rexedor de MonçaoEsta situación, que ademais afecta a unha poboación "cun nivel económico medio baixo, está provocando que algunhas persoas incluso se viran obrigadas a abandonar os seus postos de traballo polo incremento nuns custes de desprazamento que se fan inasumibles fronte a uns soldos baixos que ás veces non superan os 600 euros", di González, un argumento no que redunda a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, quen ademais propón como solución inmediata "unha apertura parcial, por exemplo, en varias franxas horarias". Unha apertura que debera ser, segundo coinciden os rexedores, cos mesmos medios de control e seguridade que xa hai en Tui-Valença "que eviten unha volta atrás ou novos confinamentos", segundo apuntou o presidente da Câmara de Melgaço, Manoel Batista. "Debemos asumir que, infelizmente esta crise pódese prolongar no tempo polo que a seguridade sanitaria é imprescidible", advertiu o rexedor de Monçao, Antonio Barbosa."Un ritmo diferente de desescalada pode provocar friccións nun territorio no que a dependencia económica ente ambas marxes do río é moi forte", advirte Uxío BenítezOs responsables municipais tamén reclaman coordinación entre o goberno luso e o español durante as medidas de desescalada. Uxío Benítez lamentou que "un ritmo diferente de desescalada poida provocar friccións nun territorio no que a dependencia económica ente ambas marxes do río é moi forte". Unha idea tamén defendida polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, quen tamén apuntaba á necesidade de abrir vías, a medio prazo, para facilitar os desprazamentos ata o aeroporto Sá Carneiro do Porto, entre outros.Esta dependencia é facilmente palpable nalgunhas vilas, como a de Valença, onde o 90% do comercio do municipio está dirixido á poboación galega, segundo achegou o presidente da Câmara de Valença, Manoel Lopes. Un caso similar é o de Cerveira, onde a economía local depende en grande parte das feiras e mercados, segundo apuntou o presidente da câmara e vicedirector do AECT Rio Minho, Fernando Nogueira, consciente de que a "loxística non é fácil". Xunto coa saúde a economía debe ser o segundo que se atenda, advertiu o presidente de Paredes de Coura, Vitor Pereira, pensando no medio prazo e nunha estratexia conxunta. |
NOS_14784 | As asociacións de veciñas e veciños de Teis e Chapela veñen de convocar unha manifestación para o próximo 23 de febreiro para esixir a supresión do peaxe do tramo Rande-Vigo da AP-9. | A supresión do peaxe do tramo Rande-Vigo, a conversión en zona urbana do tramo desde Torres de Padín até Vigo e a toma de medidas contra a contaminación acústica son as principais reivindicacións que levan as asociacións veciñais de Teis e de Chapela a convocaren unha manifestación para o próximo 23 de febreiro. "O 23 de xaneiro de 2018", lembra Anxo Iglesias, secretario da AA.VV. de Teis, en declaracións a Sermos Galiza, "o que era o Ministro de Fomento, Íñigo da Serna, anunciaba a intención de suprimir esa peaxe. A realidade é que seguimos igual un ano despois, e polo tanto entendemos que a presión social é necesaria". O secretario da entidade de Teis destaca que o feito de facer a mobilización neste momento ten a ver con que "o goberno de Pedro Sánchez vén de presentar os orzamentos para 2019 e non se dedica nin un só céntimo ás reivindicacións nin a realizar un estudo da zona. Non observamos ningún cambio de actitude goberne o PP ou goberne o PSOE con relación á AP-9". Duplo agravio con Chapela Nunha rolda de prensa que tivo lugar esta sexta feira, día 1 de febreiro, Marcial Pérez, presidente da asociación veciñal de Chapela, sinalou que esta parroquia está a ser agraviada de maneira dupla, pois amais de pagar a peaxe, tivo que sufrir as consecuencias da construción e, anos despois, da ampliación da AP-9". "Levamos anos con estas reivindicacións e dánnos a razón, mais ninguén fai nada", lamentou o responsábel da entidade de veciñas e veciños. |
PRAZA_5385 | O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (CRAEGA) presentou os datos de 2013, cun incremento no número de produtores e comercializadores inscritos, da superficie certificada e do volume de negocio. Acuicultura, algas, conservas de peixe e apicultura, entre as que máis crecen. | "Crecemento constante e imparable". Así resumiu José Antonio Fernández, presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), visiblemente satisfeito, o balance do sector no ano 2013, no que "non só se resistiu a crise, senón que se creceu". O volume de negocio sitúase nos 26 millóns de euros, crecendo ao redor dos dous millóns; a superficie certificada increméntase nun 3%, até as 15.670 hectáreas (sobre todo na Coruña e Lugo, cun descenso en Ourense); e o número de produtores e comercializadores inscritos tamén se eleva nun 8%, até os 656. Ascensos que se unen aos que o sector vén rexistrando dende a creación do Craega en 1996, un tempo no que estes produtos pasaron de ser exemplos illados e cunha penetración anecdótica no mercado, até constituír unha industria consolidada e cun gran potencial de crecemento. Neste 2013 destaca o crecemento das conservas (xeraron un 50% máis de ingresos), o mesmo que a recollida de castañás e mazás (+84%), acuicultura e algas (+187%), froita (+222%), produtos apícolas (+55%) e hortalizas (+39%) Galicia produce todo tipo de produtos con certificación ecolóxica, sobre todo leite e derivados (que representan un terzo do volume económico total), seguido de carne, conservas de peixe (cun grande ascenso nos últimos anos), castañas, mazás, ovos ou pensos. Neste 2013 destaca o devandito crecemento das conservas (xeraron un 50% máis de ingresos), o mesmo que a recollida de castañás e mazás (+84%), acuicultura e algas (+187%), froita (+222%), produtos apícolas (+55%) e hortalizas (+39%). Un dos poucos produtos que descendeu foi, precisamente, o leite, que facturou un millón de euros menos en 2013, debido en boa medida ás dificultades para que os gandeiros puidesen cobrar as axudas da PAC, un obstáculo xa solucionado, polo que os responsables do Craega auguran un incremento notable da produción de leite ecolóxico en 2014. Tanto José Antonio Fernández coma a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, destacaron o "gran potencial de crecemento" que a produción ecolóxica ten en Galicia, polos "valores" do clima os solos en Galicia, e pola "boa consideración" destes produtos en toda Europa. Quintana salientou a este respecto que a agricultura e a gandaría ecolóxica supoñen unha "grande oportunidade de traballo" na terra para os mozos e mozas galegas. Unha parte importante da produción ecolóxica galega destínase ao seu consumo no exterior, tanto no resto de España coma no estranxeiro, onde vai destinada máis dunha terceira parte do total. Porén, nos últimos tres anos o consumo destes produtos en Galicia elevouse nun 20%, segundo o Barómetro Percepción e consumo de alimentos ecolóxicos en Galicia, elaborado polo propio Craega. Este estudo salientaba a percepción positiva que os consumidores tiñan da agricultura, acuicultura e a gandaría ecolóxicas, nos que destacaban sobre todo a súa calidade e o feito de coñecer a súa procedencia e proceso de produción. A investigación sinalaba igualmente que o 60% eran adquiridos xa en grandes superficies comerciais, cunha importancia crecente das marcas brancas de produtos ecolóxicos. "No momento en que cheguemos á metade da media de consumo por habitante de Alemaña, aumentará moito a produción", e nese momento, cando a produción sexa maior, "os prezos igualaranse aos dos produtos non certificados" Os produtos ecolóxicos teñen fama de caros, e esa é a realidade nunha análise global. O presidente de Craega explicaba nunha entrevista en Praza hai uns meses que "a produción ecolóxica ten que ser máis cara, pois as certificacións que facemos teñen un custe, hai que pagar as análises e as persoas que as realizan". Porén, tamén apuntaba que isto non sería así no caso de haber axudas públicas para estas auditorías de calidade, moi recortadas nos últimos anos. E, sobre todo, explicaba que o prezo máis elevado dependía unicamente do volume de produción: "No momento en que cheguemos á metade da media de consumo por habitante de Alemaña, aumentará moito a produción", dicía, e nese momento, cando a produción sexa maior, "os prezos igualaranse aos dos produtos non certificados". De feito, non sempre os produtos ecolóxicos teñen que ser máis caros, pois en moitos casos as súas curtas canles de comercialización que eliminan a figura dos intermediarios, abaratan moito os prezos, deixando os prezos ao mesmo nivel que os produtos non certificados. |
PRAZA_7271 | O líder do PSdeG advirte de que "ningunha formación de esquerdas debería propiciar" gobernos do PP e Feijóo volve pedir que a forza política máis votada sexa primada co goberno. | O escenario electoral que se abrirá tras os comicios municipais do vindeiro maio é incerto. Así e todo, existe un consenso -ou un temor, segundo os casos- máis ou menos amplo no que atinxe a que o panorama máis posible, especialmente nas grandes cidades do país, estará marcado pola ausencia de maiorías absolutas e, polo tanto, pola necesidade de diálogo entre as forzas políticas para artellar gobernos estables ou, cando menos, tentalo. Esta conxuntura, como xa acontecera noutras ocasións -1999 ou 2003, por exemplo- levou o pasado verán o PP a axitar dende o Goberno central a posibilidade de reformar a lei electoral para ilegalizar as coalicións postelectorais nos municipios. A polémica xerada e a ausencia de consenso levou aos de Rajoy a aparcar unha reforma que o PPdeG acolleu con entusiasmo e que o propio Alberto Núñez Feijóo volveu reivindicar este sábado apenas dúas horas despois de que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, lle volvese pechar a porta a pactos municipais cos conservadores. O cruzamento de declaracións de intencións comezou no Comité Nacional do PSdeG, centrado en boa medida na precampaña municipal, uns meses nos que, di Besteiro, "veremos como evolucionan tanto os que pensaron en cambiar a lei para aferrarse ao poder como os que dubidan se presentarse baixo siglas propias ou alleas". Neste contexto e baixo a sombra da posibilidade de 'grandes coalicións' coa dereita Besteiro advirte de que "temos claro con quen non imos formar goberno en ningún caso": "O tsunami de dereitas que asolou as cidades no 2011 non se vai repetir no 2015" e "ningunha formación política de esquerdas debería titubear con propiciar ese escenario". "Senón -salienta- que miren como estaban algunhas cidades antes de que gobernase o PP e miren como quedaron". "Para mostra, Santiago", ilustra. Besteiro: "O tsunami de dereitas non se vai repetir e ningunha formación de esquerdas debería titubear con propiciar ese escenario" "Non imos pactar co PP de ningún xeito", abonda o líder dos socialistas, "porque a merma de dereitos que o PP exerce sobre a cidadanía correspóndes coa merma de competencias que quere levar a cabo nos concellos". Tampouco pactarán cun PP que, di, está liderado por un presidente ao que "lle escoitamos que a culpa da actual situación na que se atopa Galicia foi primeiro de Zapatero e agora, que está Rajoy de presidente, a culpa é do bipartito". Mentres, sobre situacións como "os casos de corrupción e presunto financiamento ilegal" do seu partido simpelmente "seguimos agardando a súa comparecencia". #PregúntalleaFeijóo Apenas dúas horas despois das verbas de Besteiro chegaban as de Feijóo nun acto das Novas Xeracións do seu partido baixo o lema #PregúntalleaFeijóo, etiqueta de Twitter lanzada para pedir preguntas ao presidente e que, nos seus tres días de vida, xerou 235 chíos emitidos dende 91 perfís, case a metade durante o desenvolvemento do propio acto. Nese encontro nun hotel compostelán no que, asegura o PP, Feijóo "respondeu preguntas formuladas por Galiza Nova", as mocidades do BNG, o presidente volveu defender a necesidade de que "goberne o máis votado", isto é, que a forza que aglutine máis sufraxios sexa primada coa maioría absoluta dos parlamentos ou as corporacións municipais. "As nosas eleccións son distintas, necesitamos sempre maiorías absolutas", xustifica. Feijóo: "As nosas eleccións son distintas, necesitamos sempre maiorías absolutas" Alén da cuestión electoral Feijóo volveu sobre lugares comúns como que o bipartito de PSdeG e BNG "non tiña problema en gastar o que non tiña e deixar a deber" e, ante as enquisas que sitúan o seu partido nun escenario de amplo retroceso electoral, pediu que "se deixen de avaliar tanto as enquisas e se pense máis nas do paro". A respecto das expectativas electorais Feijóo sentencia tamén que "a asistencia dos mozos e mozas" ao acto de Novas Xeracións desmonta a versión de "aqueles que pensan que toda a xuventude do país está contra o PP e contra o presidente". |
NOS_19088 | O investigador Héitor Picallo descobre catro persoeiros vinculados ao ciclo artúrico: Broadas l'Espagnol; Armand le Pelerin; Malaquin le Gallois e Hermin le felon. Do primeiro cabaleiro dise que é de Londres, do segundo só sabemos polo seu apelativo que está vinculado con España, o terceiro é galo e o cuarto galego. Eis os aspectos que destacan nesta nova caracterización de personaxes artúricos. | A Xosé Henrique Costas Ben se podería comezar este capítulo da historia do símbolo galego cunha referencia a obras contemporáneas como Morgana de Esmelle (de Begoña Caamaño), Amor de Artur (de Xosé Luís Méndez Ferrín), Galván en Saor (de Darío Xohán Cabana) e A procura do falso Grial (de Manuel Forcadela); pero tamén cumpriría asexar nos universos literarios de Cunqueiro e Ramón Cabanillas, amais de revisarmos a obra plástica de Camilo Díaz Baliño. Porque se a conclusión é que desde o Rexurdimento galego, pasando polas Irmandades da Fala, até os nosos días agroman obras provistas dun halo artúrico; chegados a este final, habería pois que volver ás orixes para ascender por esa espiral cíclica que nos liga como un umbilical ao útero místico e mítico do lendario Graal. A Historia dos reis da Bretaña, a Historia de Merlín, o Lancelot en prosa, coas súas tres seccións fundamentais..., son parte das fontes que trasfegan inspiración desde hai ben séculos. Nos ciclos da Vulgata e Post-Vulgata existe unha marea de personaxes, algúns dos cales han ser rescatados en textos posteriores para lles dar unha nova vida e, incluso, asignarlles unha caracterización máis precisa. Os catro cabaleiros Catro son os persoeiros desa órbita que queremos tratar nestas liñas, todos vinculados ao ciclo artúrico. O primeiro deles é Broadas l'Espagnol, do que só sabemos o seu nome e que a súa figura se confunde coa doutros personaxes. O segundo sería Armand le Pelerin, o seguinte Malaquin le Gallois, que aparece referido citado no Tristán en prosa, n'A Demanda, n'A Conquista do Santo Graal, n'O Lancelot do Lago e n'A morte de Artur. Este resulta ser un dos doce pares de cabaleiros que participan no Torneo da Marche, fazaña que lle asegura un posto entre os compoñentes da Táboa Redonda. O último protagonista, chamado Hermin le felon, ten por irmán o rei Armant da cidade Vermella e participa na busca do Graal. Cítase tanto no Tristán en prosa como n'A Demanda e n'A morte de Artur, obra elaborada por Thomas Malory (1416-1471). No contexto do século XV grelea unha serie de manuscritos franceses vinculados coa celebración de torneos e que se nutre de textos ben diversos, como o Traité de la forme et devis comme on peut faire les tournois (1451-1452) do rei de Xerusalén René d'Anjou. Pero non nos desviemos dos manuscritos desa centuria, algúns datados nas últimas décadas, pois constitúen verdadeiras alfaias no que a contidos e a miniaturas se refiren, porén existen copias do século XVI de certo significativas. En todos eles cítanse os catro cabaleiros referidos: Armand, Broadas, Malaquin e Hermin. Do primeiro dise que é de Londres, do segundo só sabemos polo seu apelativo que está vinculado con España, o terceiro é galo e o cuarto galego. Nesa nova caracterización de personaxes artúricos saltan á vista varios aspectos. Por unha banda, o peregrino usa cunchas xacobeas no seu escudo, quizais sexa o resultado dunha súa viaxe a Compostela; o galo emprega por emblema un cáliz con tapa, de que aí que haxa autores que insinúen unhas "orixes" galegas para o mesmo. Sibileau Freddy déixao así reflectido: "Selon l'Armorial, ses armes indiquent que Malaquin vient du royaume de Galice". Para maior detalle, o cáliz que emprega resulta case idéntico –nalgún manuscrito– ao asignado para Galiza no Bergshammarvapenboken (c. 1450). 'Galice, Galice' En segundo termo, eses textos cabaleirescos afirman que Hermin ou "Armin estois du royaume de Galice". No fabuloso exemplar que fora de María Antonieta (raíña de Francia) tal Armorial de la Table Ronde certifica a caracterización galega do personaxe, pois era un gran cabaleiro, de cabelos negros, áxil e de grande audacia. Tamén gustamos de saber que o seu brasón trae por divisa o lema "Galice, Galice" e como animais totémicos tres galos (un deles na cimeira). O brasón porta un burelado amarelo e azul (ouro e azur) semellantes a aqueles paus coas mesmas cores (ou azuis e brancos) atribuídos a Galiza e que aparecen cabo da Crónica do Concilio de Constanza (1413), redacta Ulrich Richenthal (c. 1430). Perante isto xorde agora unha pregunta ineludíbel: terá algo que ver o escudo de Hermin le Felon con estoutra fonte citada? Claro queda que Galiza é unha nación importante para a cultura europea, por que se non a distinción entre España e Galiza? Sen dúbida, a literatura cabaleiresca post-Vulgata contempla o noso país non só no horizonte das letras, senón incluso no emocional e identitario. Velaquí un feito que cumpriría ser investigado en Les noms, armes et blasons des chevaliers et compaignons de la Table Ronde, au temps que ils jurèment la Queste du Sainct Graal à Camaloth le jour de la Pentecouste. |
NOS_5732 | A fractura da dereita española comeza a sentirse en Galiza. De momento, timida pero significativamente. O portavoz do PP en Ourense, José Araújo, abandona o barco a catro meses das eleccións. Faino na única cidade gobernada polos populares e sen descartar o paso a Ciudadanos. Non é a única baixa de relevo. | En Viveiro, as edís Crisitina Goás e Antonio Bouza renunciaron ás actas e, no caso de Bouza, tamén ao seu cargo de responsábel da agrupación local. Aínda que esgrimiron motivos persoais, detrás da decisión hai "discrepancias" coa dirección provincial do PP. Antes xa se borrara outra concelleira, María Jesús Vale, en protesta pola xestión da Xunta nas inundacións da Xunqueira. A descomposición do PP de Viveiro -unha das principais vilas da Mariña- e a deserción de Araújo -que agrupaba importantes responsabilidades: infraestruturas, medio ambiente, transporte público- son síntomas das fendas que atravesan o campo político conservador. O distanciamento de Núñez Feixoo respecto de Pablo Casado é oportunista -o presidente da Xunta fixo virar a maioría do PP galego apoiar a facción máis dereitista do partido- pero é tamén síntoma das actuais tensións. O asunto Araújo reviste relevancia, por se tratar do número 2 da única cidade do país que goberna o PP. E que gobernou nos últimos catro anos con graves déficits de xestión política, cos orzamentos prorrogados e accións de terra queimada no ámbito cultural. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, declarou á prensa após coñecer a renuncia que non o agardaba. "É unha persoa moi afín a min. Traballamos man a man", afirmou. No mundo político ourensán dáse por feito que José Araújo acabará na candidatura de Ciudadanos. Tan é así que o propio rexedor da cidade o asume e celébrao como unha oportunidade de "negociar". A oposición de PSdeG e Ourense en Común intepretan ademais o sucedido como unha proba da ausencia de política e modelo de cidade do PP. |
NOS_49881 | Elusivo como sempre, Rajoy bota man da ironía para despachar as primeiras perguntas sobre os pagamentos en negro a funcionarios e dirixentes do seu partido. "Sobresoldos no PP? Si, home", contestou aos xornalistas en Almeria. | Primeira aparición pública de Rajoy após de publicarse que durante 2 décadas liberados e dirixentes do seu partido cobraron en negro cantidades que oscilaban entre os 5.000 e os 15.000 euros mensais. Esta práctica tamén se tería realizado durante o período en que Rajoy foi secretario xeral do partido. O presidente do PP non negou directamente a información publicada por El Mundo. Acubillouse no tópico de que de haber condutas improprias non lle tremería a man. Mas en ningún caso avanzou a abertura de ningunha investigación interna no seo do seu partido. E tampouco ofreceu ningunha explicación satisfactoria de por que Bárcenas, desvinculado en teoría do PP desde Abril de 2010, mantén despacho na sede de Génova. En Almeria Rajoy referiuse ao congreso que o PP realiza esta fin de semana en Galiza. Precisamente foi durante o período de Manuel Fraga como presidente cando comezaron a sistematizarse os pagamentos en negro, orquestrados polo tesoureiro Luís Bárcenas, figura fulcral na trama Gurtel. |
NOS_26905 | Un dos mantras que se empregaban na transición española para tranquilizar as conciencias das persoas máis timoratas era que "non é posíbel un franquismo sen Franco". Porén, 45 anos após morrer o ditador, na Galiza ten que nacer unha plataforma que busca eliminar, por fin, todos os restos da memoria legada polo propio réxime. | "Fóra Fraga, e fóra tamén todos os restos do franquismo que quedan". Este é o postulado de base sobre o que nace a plataforma Franquismo Fóra de Galiza, que esixe tanto a retirada dos recoñecementos e as honras que aínda conserva o ex presidente da Xunta e Ministro con Franco, Manuel Fraga Iribarne, como as do resto de militares, políticos e persoeiros relacionados coa ditadura. Así o anunciaron Elvira Souto, Nicanor Acosta, Manuel Villares e Manuel Monge -do colectivo de presas e presos de Galiza na ditadura-; Lucía Veciño, da Fundación Galiza Sempre; e Xoán María Castro, da Fundación 10 de Marzo, nun acto desenvolvido durante a xornada de onte na libraría Couceiro de Compostela. As voceiras de Franquismo Fóra de Galiza adiantaron durante a súa comparecencia as súas liñas de actuación de cara o futuro, nas que incidiron, posteriormente, nunha reunión aberta celebrada na Nave de Vidán. Desde a nova plataforma explicaron a Nós Diario que Franquismo Fóra da Galiza é un "proxecto común" desenvolvido co obxectivo de ensanchar a súa base de apoios, e recoñeceron estar "moi satisfeitos" coa resposta cidadá". "Baixo esta nova denominación inclúese agora un amplo colectivo de 62 importantes historiadores" e 57 entidades culturais, veciñais e memorialísticas de moita importancia, e que están esparexidas por todo o país, pois hai representación de localidades como Lugo, Ordes, Vilagarcía de Arousa, Ourense, A Estrada, Betanzos ou Terra de Montes, entre outras", apuntan. Entre esas 57 asociacións destacan algunhas da relevancia da Alexandre Bóveda, Irmáns Suárez Picallo, Moncho Reboiras, o sindicato CIG, Artabria, O Galo, Iniciativa Galega pola Memoria, O Facho, Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, Instituto de Estudos Miñoráns ou o Ateneo de Moaña. A "responsabilidade" das institucións públicas Franquismo Fóra da Galiza anunciou que o seu primeiro movemento será "dirixirse a todos os Concellos que aínda teñen a Fraga con distincións honoríficas para pedirlles que tomen medidas para levar aos plenos, tanto dos propios municipios como das deputacións provinciais, a retirada deses recoñecementos, porque non son poucos". "Trátase dunha cuestión de hixiene democrática", sinala Manuel Monge, preso político na ditadura e membro do colectivo, para quen "ningún ministro de Franco debería seguir mantendo distincións honoríficas polos servizos prestados a unha ditadura criminal". Para el, existe unha "biografía secuestrada e oculta" de Manuel Fraga, na que se reflicten "maís de 35 anos de militancia franquista e fascista". "Foi negacionista do holocausto xudeu, e un dos máximos secuaces da camarilla de Franco, protagonizando actuacións que propiciaron a falta de liberdades e a persecución de disidentes", dixo Monge citando ao poeta Caballero Bonald. Ademais, Franquismo Fóra de Galiza acusou ao "actual Partido Popular", fundado co nome de Alianza Popular polo propio Fraga Iribarne, de "deixar claras coas súas actuacións cales son as súas raíces". "Non nos sorprende que, na actualidade, políticos de dereita e ultradereita asuman comportamentos relacionados coa exaltación do franquismo, só hai que lembrar os berros de "Franco! Franco!" no primeiro congreso de Alianza Popular". Non obstante, o ex presidente da Xunta é só "a punta do iceberg", segundo afirmou Nicanor Acosta, para quen "existen centos de restos de simboloxía fascista por todos os recunchos de Galiza". Xan María Castro, da Fundación 10 de marzo, incidiu nesa liña, facendo fincapé nas "tendencias retrógradas" que considera que existen na democracia española en pleno ano 2020, polo que resulta inescusábel "restabelecer a calidade democrática, limpando o territorio de residuos ditatoriais". Para iso, ofrécense a colaborar "con todos os concellos que queiran abordar este tema da eliminación da simboloxía franquista en forma de palestras, debates... porque o que queremos difundir esa idea e esparexela por todo o país". Entre eses restos do franquismo presentes en numerosas localidades do país, desde Franquismo Fóra de Galiza destacan algúns casos "especialmente graves", como o do Arsenal de Ferrol: "En 1981 foron retiradas todas as rúas dedicadas aos golpistas, pero o que fixo defensa foi bautizar cos seus nomes as do Arsenal Militar, o que supón unha falta de respecto á vontade democrática de Ferrol". |
PRAZA_19797 | O descenso deuse tanto en Primaria (do 89,5% ao 72,9%), ESO (do 69,8% ao 50,3%) coma no Bacharelato (do 52,7% ao 33,1%). Mentres, o número de mestres e mestras mantense practicamente inalterado dende hai dez anos, a pesar do importante recorte sufrido polo conxunto do corpo docente | Cada vez son menos os alumnos e alumnas que cursan a materia de relixión nos centros de ensino de Galicia. Na última década a súa porcentaxe caeu en case vinte puntos, tanto en Primaria (do 89,5% ao 72,9%), ESO (do 69,8% ao 50,3%) coma no Bacharelato (do 52,7% ao 33,1%). O descenso foi algo maior nos centros públicos, pero tamén se produciu nos centros privados e nos privado-concertados. O ritmo de redución mantense estable en Primaria (ao redor de dous puntos porcentuais cada curso), aínda que na ESO e no Bacharelato semella ralentizarse un chisco nos dous últimos cursos. Hai que ter en conta que a LOMCE, aprobada a finais de 2013, comezou a aplicarse no curso 2014-15 e que o deseño do currículo de Bacharelato favorece a súa escolla dende o curso 2015-16, polo que gran parte dos seus efectos aínda non se poden percibir nos datos facilitados polo Ministerio de Educación. A porcentaxe de alumnado que en Galicia escolle a materia de Relixión en Primaria sitúase lixeiramente por riba da media estatal (69,1%), aínda que isto é debido en boa medida a que os datos vasco (43,9%) e catalán (34,4%) rebaixan notablemente a taxa global española. Galicia é, de feito, a sétima comunidade cunha menor proporción de alumnos e alumnas de Relixión neste ciclo. En ESO e Bacharelato, mentres, o dato galego iguala a media española (50% e 32,9%). A pesar de que o alumnado de Relixión vén descendendo tanto nos centros públicos coma nos privados e nos privado-concertados, segue a haber unha gran diferenza entre uns e outros. A fenda é menor en Primaria (uns 19 puntos entre os centros públicos e privados), pero crece ata os 40 puntos na ESO e os 50 no Bacharelato. A pesar do continuado descenso da cantidade de alumnos e alumnas de cursan a materia de Relixión nos centros públicos, o número de docentes desta clase mantense practicamente inalterado na última década. E iso a pesar dos recortes que sufriu o ensino e, en concreto, de que a escola pública galega no seu conxunto perdeu, segundo datos oficiais, ao redor de 1.200 docentes dende 2009. No ano 2004 eran 934 contratados a xornada completa (545 en Primaria e 389 en Secundaria) e outros 69 con xornadas parciais. No ano 2010 eran 907 a xornada completa (580 en Primaria e 327 en Secundaria) e 68 a xornada parciais. Na actualidade a cifra total de xornadas completas ascende a 888 (580 en Primaria e 308 en Secundaria). |
NOS_12327 | Gonzalo Boye, avogado do president Carles Puigdemont, informou na sexta feira de que inmediatamente solicitarán ao Tribunal Xeral da Unión Europea medidas cautelares inmediatas para restituír plenamente as inmunidades como eurodeputado e que foron parcialmente levantadas coa aprobación da petición en Parlamento Europeo. | Boye, en declaracións a RAC-1, dixo que alguén filtrou información falsa e advertiu: "Alguén terá un gran problema porque non sabe que en Europa é mellor dicir a verdade". Dixo que non prevé a extradición do presidente e engadiu que a orde dada ás autoridades italianas non era política. Engadiu que o Goberno italiano non era consciente da situación porque, doutro xeito, "non permitiría unha chapuza coma esta". O avogado, en conversa con Vilaweb, informou de que inmediatamente solicitarán ao Tribunal Xeral da Unión Europea medidas cautelares inmediatas para restituír plenamente a inmunidade do ex president como eurodeputado. O TXUE resolveu en xullo que non había que conceder medidas cautelares a Puigdemont, Comín e Ponsatí no procedemento xudicial dos tres eurodeputados contra o suplicatorio, ao entender que non era necesario e que o avogado do Estado español lle confirmara que as euroordes ficaran suspendidas. O motivo da suspensión era que estaban pendentes de resolver as preguntas pre xudiciais que o xuíz Pablo Llarena fixo ao alto tribunal europeo sobre a maneira de proceder na execución das euroordes. O TXUE apuntara que se, malia aquela resolución, houbese un caso de detención dos tres eurodeputados "por unha autoridade de execución dun Estado membro ou de aplicación dun procedemento de entrega ás autoridades españolas, poderían presentar unha nova demanda de medidas provisionais". E isto é o que pedirán agora. Tras a resolución do TXUE do 30 de xullo, o Supremo mantivo as euroordes emitidas e as autoridades italianas decidiron activar o procedemento xudicial para a extradición, malia as disposicións das autoridades xudiciais da UE. Manifestación diante do consulado Varios centos de persoas manifestáronse na mañá da sexta feira fronte ao consulado de Italia en Barcelona para protestar contra a detención do president Carles Puigdemont no aeroporto de l'Alguer (Sardeña). A mobilización foi convocada de maneira urxente pola ANC ao pouco da detención e, entre outras persoas, participaron a presidenta do Parlament, Laura Borrás, e o vice president do Govern, Jordi Puigneró. ANC, Òmnium e o Consell per la República convocaron unha manifestación ás 12 horas do domingo en Barcelona contra a detención de Puigdemont, con saída do paseo de Gracia coa Diagonal. Prevese que remate na praza de Catalunya. |
NOS_13982 | Un tanto de Elena Aragón deulle o título ás da Mariña | O fútbol sala feminino galego vive o mellor momento da súa historia, como confirma a presenza de dous conxuntos do país na final da Copa da Raíña, nun duelo que caeu do lado do Pescados Rubén Burela, que superou o Poio Pescamar FSF por só 1-0, conseguindo revalidar así o título alcanzado na última edición da competición. Nun choque no que reinaron as defensas, tan só un illado tanto da gaditana Elena Aragón -e de dobre penalti- puido desfacer o empate, permitindo así que a capitá laranxa, Peque, alzase un trofeo que recolleu das mans do presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales. O Burela era o gran favorito, e así o confirmou cun sólido dominio nos compases iniciais de partido, con senllas ocasións de gol que chegaron da man de Dany e Cilene, que estiveron moi incisivas. Pouco máis tarde era Ale da Paz quen probaba sorte, até que no minuto oito de encontro chegou a primeira oportunidade do Poio Pescamar, que obrigou a facer unha grande intervención á porteira laranxa, Jozi, despois dunha boa combinación entre Clara e Luci. Co paso dos minutos o duelo adoptou unha configuración máis aberta, e as de Pontevedra agrandáronse na que era a primeira final da súa historia, tendo a opción de gol máis clara cando, no minuto 14, Cilene e Julia desenvolveron unha contra case mortal que desembocou nun man a man entre a dianteira laranxa e a porteira conserveira no que estivo máis atinada a xogadora do Poio Pescamar. Até, claro, que chegou un dobre penalti a favor do Pescados Rubén, aproveitándose do feito de que as súas rivais sumaban cinco faltas. Porén, a sanción fíxose esperar, pois primeiro tivo que pasar pola revisión do soporte tecnolóxico solicitado por Julio Delgado para confirmar unha man de Dani Sousa. Elena Aragón, natural de Cádiz, lanzaba contra o traveseiro, pero tan só tres minutos antes do tempo de descanso tivo de novo a oportunidade de resarcirse do fallo anterior e, esta vez si, batía Caridad por debaixo das pernas para subir ao marcador un tanto que acabaría por ser decisivo para a conquista do título. As porteiras, chave Logo da reanudación, as porteiras -Jozi e Caridad- foron as grandes protagonistas, como demostra o feito de que, a pesar da derrota, a gardameta da escuadra pontevedresa fose distinguida como mellor xogadora na final pola RFEF. Ambas protagonizaron intervencións de gran mérito nunha segunda metade na que o Poio gañou en chegadas e en posesión, o que se traduciría en oportunidades como a de Dani Sousa no minuto 25, que tivo a réplica -infrutuosa- nas botas de Cami, primeiro, e Ale de Paz, despois. A falta de cinco minutos para o final o Poio tivo a súa mellor ocasión para lograr o empate. que chegaría nun córner botado por Antía e que Ana Rivera non foi quen de definir cando Jozi xa estaba totalmente superada. Con ese 1-0 remataba a gran final da Copa da Raíña, da que a pesar da derrota o Pescamar volve á casa coa cabeza ben alta sabendo que, tal e como sinalou o seu adestrador, Manu Cossío, "hai que seguir por este camiño" para conseguir gañar no futuro. Pola súa banda, a heroína que anotou o gol da vitoria burelista, Elena Aragón, mostrouse exultante despois do partido, manifestando a súa "fortuna" por transformar o seu segundo penalti e conquistar algo "inimaxinábel" para ela. |
PRAZA_5600 | No momento económico e político no que estamos non queda outra que optar: uniformización e disolución perdendo a nosa peculiaridade ante o mundo, ou supervivencia mostrando con orgullo e naturalidade o que nos destaca. Velaí o valor económico da nosa lingua. | Falo galego de sempre. Nacín nun barrio conformado maioritariamente por xentes vidas da aldea que, en moitas vilas e cidades ao longo dos anos 60 e 70, reproduciamos día a día os sons e xiros sintácticos da nosa lingua, mesmo falando en castelán. Vivimos os anos da presión sobre o uso do galego tanto directa e explicitamente (castigarnos por falalo na escola, ser reprendidos por usalo en público) como indirecta e sutilmente (valorarnos menos porque o galego non era fino). Pero a configuración social dos barrios das nosas urbes posibilitaba que sobrevivise a nosa lingua pois, dun ou doutro xeito, o pouso de xeracións agromaba da nosa memoria colectiva. Cantas veces, falando en castelán, non nos temos atopado na tesitura de ter que expresar algún sentimento ou situación en galego porque, doutra maneira, non nos daba xeito? A configuración social dos barrios das nosas urbes posibilitaba que sobrevivise a nosa lingua pois, dun ou doutro xeito, o pouso de xeracións agromaba da nosa memoria colectiva A transformación social e económica que estaba a atravesar o país non ía ser en van; tampouco para a nosa lingua. Semellaba que vida na urbe ía asociada inexorabelmente a castelanización. O vello tópico de «galego, da aldea» reforzábase cada vez máis. Nunha viaxe a Mérida, sendo eu mozo, quedei moi sorprendido por ver, un día de mercado, labregos e vilegos xuntos na praza e non achar por ningures as diferenzas sociais reflectidas na lingua. Pero aquí, hai quen quere usar a lingua para dar de menos a outros. E cando é tan evidente a imposibilidade de tal identificación galego-aldea, xurde o estigma político. "Entón é que es do Bloque". Tras ter acadado o consenso político en torno á lingua despois de moitos esforzos, intereses espurios botaron pola borda o esforzo colectivo de moitos anos. Por primeira vez o galego ía estar, cando menos, ao mesmo nivel que o castelán como lingua vehicular no ensino. Pero non, chegou o comandante e mandou parar. A reacción da sociedade galega foi exemplar. Un movemento social transversal mobilizouse como nunca a prol da nosa lingua. Un tema que semellaba adormecido espertou de novo o interese incluso de sectores da poboación que non se identificaban explicitamente coa reivindicación lingüística. Outra cousa é que en determinados eidos esa resposta fora silenciada, incluso con ridículas técnicas de manipulación informativa. Pero o traballo cotián de todo o noso tecido asociativo segue a lograr cada vez máis adhesións ao uso normal e espontáneo do idioma galego en todos os ámbitos da nosa vida. A lingua galega permítenos estar no mundo de xeito diferenciado. Márcanos positivamente. Fronte á uniformización, fainos diferentes A lingua galega permítenos estar no mundo de xeito diferenciado. Márcanos positivamente. Fronte á uniformización, fainos diferentes. No momento económico e político no que estamos non queda outra que optar: uniformización e disolución perdendo a nosa peculiaridade ante o mundo, ou supervivencia mostrando con orgullo e naturalidade o que nos destaca. Velaí o valor económico da nosa lingua. Ou non lembran como os produtores de pementos de Padrón optaron por cambiar a súa denominación de orixe? Agora son pementos de Herbón. Diferenciáronse. E sobresaen por si mesmos. Son vostedes quen de imaxinar que Extremadura remate por ser a ponte entre España e Portugal? De todos os países lusófonos? Clarexado este principio, a botármonos mundo adiante. Para o cal temos dúas vías ben importantes. A primeira, e por ligazón directa coa historia da nosa lingua, o portugués. Son vostedes quen de imaxinar que Extremadura remate por ser a ponte entre España e Portugal? De todos os países lusófonos? De seguido, e por razóns de imposición histórica, o castelán. Negar tal feito, a súa imposición, sería faltar á verdade. Pero ignorar que nestes momentos supón unha riqueza, absurdo. Como absurdo é pensar que por aprender galego reducimos a nosa capacidade para estudar outras linguas. Ben ao contrario: todos os especialistas destacan que o coñecemento de dúas linguas facilita moito máis a aprendizaxe doutras. O paradoxal destes prexuízos é que pódenos facer esquecer que quen se gaba de bilingüe é monolingüe pechado; e quen quere poñer en primeiro lugar ao galego, é estigmatizado como se non quixera saber outras linguas. E iso non é certo. Quen valora a súa lingua, valórase a si mesmo e valora o seu. E está en mellores condicións de saír polo mundo adiante para vender os seus produtos ou para poñer en marcha os seus proxectos Falantes de vello, neofalantes, cada un coas súas peculiaridades, como diferenzas hai entre mozos e vellos, entre xentes do mar e do campo, obreiros, funcionarios ou empresarios… temos por diante a oportunidade de profundar no uso e dignificación da nosa lingua, de nós mesmos como comunidade. Tal e como aspiramos a facer cada día mellor o noso traballo, tal e como desexamos mellorar os nosos coñecementos, tamén debemos aspirar a mellorar o noso galego. Ninguén vai pedir un café ou unha cervexa cos xiros dun estudo xurídico nin dun especialista en lírica medieval ou física cuántica, pero tampouco por iso imos inculcar aos nosos fillos e fillas que galego é sinónimo de informalidade e vulgaridade. As apelacións á ignorancia só xeran máis ignorancia, na lingua que sexa. Saibamos apreciar os distintos rexistros e variantes do noso idioma, pero estimemos positivamente o bo que é mellorar no seu uso. Quen valora a súa lingua, valórase a si mesmo e valora o seu. E está en mellores condicións de saír polo mundo adiante para vender os seus produtos ou para poñer en marcha os seus proxectos. Quen se respecta a si mesmo farase respectar ante os demais. |
NOS_14239 | A licitación da estación de esquí de Cabeza de Manzaneda levanta polémica por non se saber os datos de contratación de Artabria con Meisa. O BNG denuncia "escurantismo" no concurso e que a empresa non cumpre cos requisitos esixidos no prego de condicións. | Una vez máis a polémica volta viaxar a estación de esquí de Cabeza de Manzaneda. Xa no mes de setembro un grupo de estudantes e nais e pais do CEIP Ramón Cabanillas de Compostela acusaba ao grupo Oca Hotels, quen daquela xestionaba as instalacións, de adiar sin razón aparente a devolución duns cartos que adiantaron a modo de sinal para a excursión de fin de curso do ano pasado. Co comezo dun ano novo, a polémica volta a xurdir pola concesión da licitación da estación a empresa Artabria, o BNG de Ourense denuncia o "escurantismo" que existe neste concurso. "Atopámonos o 30 de decembro este novo contrato sen que na páxina de Meisa –empresa pública propietaria da estación de esquí– figurase un novo concurso", indica o voceiro do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela en declaracións a Nós Diario. Hai uns meses quedaba deserto o concurso para a adxudicación porque ambas as empresas presentadas non cumprían cos requisitos esixidos no prego de condicións do 30 de xullo de 2020, algo que, denuncian, tampouco cumpre Artabria. "Estabelécese, entre outros parámetros, que só poderían contratar con Meisa as persoas que teñan unha actividade relacionada directamente co obxecto do contrato e que teña un volume de negocio, que referido ao ano de maior volume de negocio dos últimos concluídos sexa igual ou superior ao volume do contrato. Esta empresa, segundo a súa páxina web, só dispón dun 'coqueto hotel' no Panamá e dunhas rutas na Coruña que nin se poden consultar", apunta Varela. Por esta razón, o BNG trasladou a Deputación unha batería de preguntas para "clarificar o proceso de licitación e a viabilidade económica desta proposta". Esta mesma semana, as técnicas de Artabria inspeccionaban as instalacións para ver se se podería abrir a estación dentro de dúas semanas. |
NOS_50994 | Os centros recolleron centos de imaxes nunha actividade pedagóxica que culmina co outorgamento dos premios este 16 de novembro no Día Internacional do Patrimonio Mundial. | Emigrantes traballando en campos franceses en tempos da primeira guerra mundial, unha tradición festiva con traxes tradicionais nos anos 60, exemplo de xogos e xoguetes a mediados do século pasado, unha Praza de Abastos dos anos 50, o arado en familia dun campo nos anos 60, unha romaría da mocidade de hai tres cuartos de século, ou unha foto nos álbums de moitas familias galegas: a da filla nacida cando xa o pai estaba emigrado que, a modo de postal, chega á outra beira do océano cunhas letras de agarimo no reverso. Así describen algunhas das imaxes que foron premiadas no III Certame de fotografía "Imaxes do Patrimonio", unha viaxe pola memoria da man do alumnado galego e portugués, coa colaboración das súas familias e a través da iniciativa da Asociación Ponte... nas Ondas! O xurado integrárono Anxo Cabada, profesor e fotógrafo, Xerardo Pereiro, profesor e antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero, investigadora e antropóloga e, Xerardo Feijoo, membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! actuando como secretario con voz e sen voto. O fallo do xurado faise público coincidindo coa celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial. Ducias de centros de ensino da Galiza e de Portugal sumáronse á III edición do Certame de Fotografía 'As imaxes do Patrimonio'. "A iniciativa parte da idea de que o Patrimonio Cultural Inmaterial é un conxunto inmenso de expresións culturais e de tradicións herdadas do pasado que as persoas preservan e se encargan de transmitir ás xeracións futuras. Desde comezos do século XX ese conxunto de expresións herdadas do pasado e transmitidas de forma oral encontraron na fotografía un valioso rexistro documental", explican desde Ponte... nas Ondas! Propúxose ao alumnado participante que buscaran, coa axuda dos docentes e na compaña de seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural Os premios desta terceira edición: Categoría Ensino Primario/Ensino Básico 1º Premio: Rafaela Gomes Teles da Escola Básica e Secundaria de Sobreira, Paredes, área metropolitana do Porto 2º Premio: Sira García do CEP Sabarís, Baiona 3º Premio: Maria João Carvalho do Agrup. Esc. Gondifelos. Vila Nova de Famalicão Accesit: Mariana Guimarães do Agrupamento de Escolas de Gondifelos. Braga Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario 1º Premio: Claudia Vigo do IES Antonio Fraguas. Santiago de Compostela 2º Premio: Claudio da Escola Básica e Secundária do Agrup. de Esc. Muralhas do Minho. Valença do Minho 3º Premio: Greta García Salgueiro do IES Valadares. Vigo Accesits: Noelia CAbaleiro Rodríguez do IES Pedras Rubias. Salceda de Caselas Paula Comesaña Pérez do IES Terra de Turonio. Gondomar Premio Especial á escola que enviou o conxunto maior de fotografías que, cumprindo as bases do Certame teñan grande relevancia polo seu contido: CEP Sabarís |
Subsets and Splits
No saved queries yet
Save your SQL queries to embed, download, and access them later. Queries will appear here once saved.