ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_25893
A autoridade laboral admitiu un ERE suspensivo de Semar tras desbotar a petición dun extintivo por parte da empresa
Os traballadores de Semar, unha empresa de carpintaría de aluminio de Ames (A Coruña), regresaron aos seus postos unha vez rematado o ERE suspensivo pedido en xaneiro por esta firma e que afectaba a 10 obreiros. Mais, informan desde a CIG, unha vez ás portas na nave fixo acto de presencia Inspección e o propio empresario para explicar, segundo sinala a central nacionalista "que non ten traballo para eles nin os quere dentro da nave". Semar, que conta cun cadro de persoal de 22 operarios, intentou en decembro pasado aplicar un ERE extintivo por causas económicas, pretensión desbotada pola autoridade laboral. En xaneiro volveu presentar un novo ERE, desta volta suspensivo e que afectada a 10 traballadores, e que si que foi aprobado. Naquela altura, debíanselles aos operarios dúas mensualidades e máis a paga extra. O propio empresario pintou o coche dun dos traballadores, delegado sindical da CIG, diante das cámaras do cuartel da Garda civil de Negreira. Deriva de traballo O secretario comarcal da CIG metal afirma que nestes meses "a carga de traballo non diminuíu", alén de denunciar que coa implantación do ERE a empresa derivou parte da carga de traballo cara a autónomos e outra firma "que o empresario controla a través doutra persoa". Para a CIG, a pretensión dos propietarios desta carpintaría de alumino é "descapitalizar a empresa" e procurar que o persoal presente a baixa voluntaria "para que cobre do fondo de garantía salarial e comezar el de novo con outra empresa". Acoso CIG lembra que hai traballadores que xa denunciaron ter sido obxecto de acoso laboral. E afirma que existen probas de que o propio empresario pintou o coche dun dos traballadores, delegado sindical da CIG, diante das cámaras do cuartel da Garda civil de Negreira.
NOS_7148
Ser máis. Nunca menos. Chegar cada día a máis xente. Comunicar galego e en galego. Tecer rede. Ser Comunidade. Os propósitos fundacionais continúan aí e aínda se expanden. Ser Comunidade é partillar visións da vida, mais tamén afectos. Encontros, reencontros. De todo houbo na festa coa que Sermos celebrou o seu V aniversario, nun ateigadísimo salón de eventos da Nave de Vidán, en Compostela. Sermos reafirmou "o noso compromiso a prol dun espazo de comunicación galego", en palabras do presidente do Consello de Administración, Xoán Costa.
A Comunidade Sermos é un cosmos social do máis diverso, nada redutíbel a unha fotografía fixa. É un corpo magmático, plural, un caleidoscopio. Tantas visións como persoas. "Está ben o que facedes, mellorastes moito, cada día vos segue máis xente, mais tendes que ir por aquí, falta isto, hai que facer aquilo". Non poucas persoas dirixíronse a min neses termos durante a festa, un ágape intenso de por volta de 2 horas e media. Eu tomaba nota mentalmente. Son tamén Comunidade Sermos, non só traballador da casa, así que tomaba boa nota. Partillo entusiasmos, críticas e auto-críticas. Esta é a forma de ser desta tribo -tomo emprestada a palabra a Manuel María-, sen esta forma de ser non teríamos feito 5 anos. Por volta de 200 persoas -mesmo mais, se termos en conta a de xente que pasou pola Nave de forma episódica sen se manter nela durante todo o evento- reuníronse en Compostela para celebrar o V aniversario dun proxecto de comunicación social, popular, alternativo, galego e en galego. Un proxecto que son esas persoas e moitas máis que non se puideron achegar á Nave. Un proxecto que sen elas sinxelamente non existiría. Un proxecto que quer ser moitas máis elas, que sen esa vocación sinxelamente non existiría. "Compro o semanario desde o primeiro día", "vexo o dixital todos os días", "fíxenme subscritor hai seis meses e estou a ver se convenzo a un par de colegas de que se subscriban", "gostaría de vos enviar algún artigo", "fago fotos, interésavos que vos mande algunha?". Había na festa todo menos indiferenza. Moito entusiasmo. Moitas ganas de colaborar con Sermos. De facermos o que Sermos quixo ser desde o minuto un. En palabras de Xoán Costa no seu discurso, "o elemento nuclear dun espazo galego de comunicación". Había na festa todo menos indiferenza. Moito entusiasmo. Moitas ganas de colaborar con Sermos E é que na Nave se reuniron accionistas, asinantes, persoas colaboradoras, correspondentes, anunciantes, parte de toda a rede de voluntarias e voluntarios que fan que Sermos funcione e que imprimen a Sermos o carácter que fai desta casa algo único: un proxecto social, un proxecto multitude, un proxecto que sabe que canto máis poliédrico sexa, moito mellor. Imposíbel citar todo o mundo presente na Nave, toda a xente con ganas de achegar pontos de vista, vindas de mundos diversos, Pepe Barro (responsábel do deseño do semanario), Olga Brañas (crítica musical), Mercedes Queixas (colaboradora literaria), Saleta Goi e Alberte Ansede (Fundación Manuel María), Nemesio Barxa (membro do grupo promotor), Bieito Lobeira, Marica Campo (escritora), Anxo Louzao (CIG ensino), Goretti Sanmartín (vicepresidenta da Deputación da Coruña), Olaia Ledo (crítica de cinema), Xan Muras (fotógrafo), Francisco Rodríguez (escritor e ensaísta), Silvia Cancela (maquetadora do semanario), Néstor Rego (primeiro conselleiro delegado da empresa), Nacho Hortas (humorista gráfico), Maria Xosé Bravo (presidenta da asociación cultural Alexandre Bóveda), Rubén Cela (portavoz municipal do BNG en Compostela), Marcos Maceira (presidente da Mesa pola Normalización Lingüistica), Luz Darriba (colaborada na sección de Opinión), Isabel Rico (actriz), David Martínez (conselleiro delegado da empresa responsábel do software), Manuel Da Cal (FRUGA), Guillerme Vázquez (ex portavoz nacional do BNG), Marga Doval (escritora), Suso de Toro (escritor), Montse Prado (deputada do BNG), Alfredo López Tokio (humorista gráfico e ambientalista), Xoán Carlos Garrido (ensaísta), Elvira Cienfuegos (ecoloxista), Xavier Campos (responsábel de Comunicación da Executiva do BNG), Fernando Vázquez (treinador de futebol), Pilar García Negro (escritora ensaísta), Xosé María Torné (deseñador), Marta Dacosta (poeta), Xosé Gontá (do espazo enocultural Vide Vide), Duarte Correa (colaborador na sección de Opinión)... "Oes, moi ben, o de facerdes agora máis información local e comarcal. O país está en toda a parte e hai que chegar a el!". "O da dupla capa no semanario é realmente vangardista. De quen foi a ideia?". Non só me falaban motu propio, a facer achegas, suxestións, eu tamén perguntaba. Sen ese diálogo fecundo Sermos non tería tido a menor oportunidade de facer cinco anos. Xa non tería tido nen a oportunidade de existir. "E que che parece se escrebo unha columna feminista?". "Estou pensando nunha nova serie de artigos, dígoche despois do verán". Vontade de ir més lluny (més lluny hem d'anar mes lluny), máis lonxe, que diría Lluis Llach, con ese motor -canta paixón quen poderá detela!, como entonaría o grande Xurxo Souto, peza basilar da equipa fundacional- este carro non ten límites. "E que che parece se escrebo unha columna feminista?". "Estou pensando nunha nova serie de artigos, dígoche despois do verán" O acto abriuno cun discurso evocador e emotivo Carme Vidal, persoa chave nos comezos de Sermos. Relatou o día en que o grupo promotor foi falar con ela da necesidade de que aparecese no ermo comunicacional do país un "meio de comunicación galego e que tivese como único interese e obxectivo Galiza", un proxecto "que por riba fose autónomo, que non tivese digamos que ataduras, que se puidese manter a si mesmo". Vidal, nun rapto de sinceridade, ollou para ese grupo promotor -"unhas persoas, non vou dicer os nomes, pero están por aquí"- e díxolles: "Iso é imposíbel, non pode ser, non vai saír". Mais ese núcleo de activistas -"xente moi entregada, xente marabillosa"- comezou a se mover por todo o país, na procura de apoios, na procura de accionistas, "organizando actos en toda a parte". E o que parecía imposíbel aconteceu. O primeiro número do dixital. O primeiro número do semanario. "E eu véxome metida naquela pataca quente, naquel tempo difícil", evocou Vidal, integrante da redacción fundacional canda Xesús Piñeiro, Beti Vázquez, Rodri Suárez e Antón Escuredo, con Anabel Gulías ao fronte da xerencia. Os primeiros nervos. Os primeiros erros. Os primeiros acertos. A vontade de mellorar sempre desde o minuto 0. De facer un xornalismo honesto, veraz e entregado ao país. "Quero dicer con todo isto que foi un parto complexo, pero un parto feliz porque hoxe estamos aquí celebrando cinco anos", resumiu Vidal. TRIBUTO A FRANCISCO CARBALLO Se algunha persoa simboliza aquel grupo promotor, pola súa entrega, e entusiasmo, embora tivese xa 87 anos cando todo comezou, é Francisco Carballo. Intelectual de enorme altura, grande coñecedor da historia do país, e animador de todo proxecto de comunicación que se quixese galego e en galego, Carballo estivo na orixe de Sermos e a súa figura foi evocada na Nave quer no discurso de Carme Vidal quer no de Xoán Costa. "Unha das persoas máis xenerosas que eu coñecín na miña vida. Unha persoa honesta, cunha dignidade tremenda. Unha persoa grande", dixo del Vidal. "Morreu pouco despois [do aparecimento do primeiro número de Sermos] e creo que neste país lle debemos moito", acrecentou coa voz quebrada pola emoción. Aplausos xeneralizados. A Comunidade Sermos identifica así un dos seus máis grandes, sempre na memoria. "E eu véxome metida naquela pataca quente, naquel tempo difícil", evocou Vidal E un dos seus, un dos componentes da rede Sermos, desde a música, é Davide Salvado. Parabenizou Sermos polo seu V aniversario e regalounos ao vivo algúns dos temas de Lobos, o seu último traballo. Unha voz profunda, telúrica, verdadeira. Un eco da terra. Mais natural, nada engolado, cero impostación. Con el mesmo chegou o baile, a Comunidade desatada. É a súa música radicalmente galega e radicalmente contemporánea, como con tino a cualificou na apresentación Carme Vidal, eses sinais de identidade aos que Sermos modestamente tamén aspira. A CONVERSA CO QUIOSQUEIRO DE XOÁN COSTA Música e palabra. A de Xoán Costa, presidente do consello de administración. Volta ás orixes. A vontade de medrar, de permanecer, de ir a máis. Está desde o primeiro día. Tamén o interese social pola saúde da criatura. Costa rememorou unha conversa cun quiosqueiro, 8 de xuño de 2012, primeiro número do semanario. "Canto vai durar?", perguntou. A pergunta tiña todo o sentido. A historia do xornalismo galego e en galego é a historia de sucesivas tentativas falidas. "Confeso que non puiden dar resposta. Desculpeime dicendo que chegaba tarde á clase e que xa falaríamos outro día, ao fin e ao cabo eu era cliente do quiosque e xa non era a primeira vez que tiñamos mantido conversas na beirarrúa sobre temas de actualidade". Canto vai durar?, ecoa a pergunta do quiosqueiro. "Nunca puiden darlle unha resposta a aquel home. Ao pouco o quiosque fechou. Mais se tiver ocasión, a resposta sería o lema deste 5 aniversario: veñan máis 5!!". E despois outros 5, e despois outros 5, e despois outros 5... No seu discurso, Costa deixou dúas ideas centrais. A primeira, a de que Sermos reafirma neste acto "o noso compromiso a prol dun espazo de comunicación galego". A segunda, a de que existimos grazas ao tecido social que aposta día a dia en nós: "Ese compromiso, en galego e con Galiza, que animou a creación de Sermos Galiza como un proxecto de comunicación, foi posíbel grazas, primeiro, ás aportacións de entidades e persoas que conformaron o capital social e despois ás traballadoras e traballadores, colaboradores, colaboradoras de todo tipo e que non perciben ningunha compensación económica a cambio, anunciantes, persoas que fan doazóns, foi posíbel grazas a todas aquelas persoas e entidades que constitúen o que chamamos Comunidade Sermos". "No próximo veñan, que xa serán Veñan máis 10, teremos un Sermos que chegará a máis xente e que deberá ser o elemento nuclear dun espazo galego de comunicación", enfatizou Xoán Costa Evocación do pasado e proxección do futuro. "No próximo Veñan, que xa serán Veñan máis 10, teremos un Sermos que chegará a máis xente e que deberá ser o elemento nuclear dun espazo galego de comunicación", concluíu Costa. E voltou Davide a cantar. E houbo risos e bailes e fotos (para sermos xustos, o rei das fotos foi Fernando Vázquez, ex treinador do Celta, do Dépor e da selección nacional de futebol). E así, aos poucos, sen moita vontade de abandonar a festa, foi rematando o acto, un encontro-reencontro de moita xente amiga, unida sobre todo por un desexo, o de que venham mais 5. E despois outros 5. E despois outros 5. As fotografías son de Beatriz G. Caneda.
NOS_2543
A escritora compostelá chega á libraría Lila após unha xira por varias escolas do País onde confirmou que a súa historia dun xuízo ao inverno por demorar a chegada da primavera agrada, e moito, ao alumnado. Namentres, as máquinas quecen para que o seu seguinte conto, 'A carballeira engaiolada', saia axiña do prelo
Aló, no ancho e longo espaz, atopábase o sol, triste, enfurruñado e esmorecendo... Así comeza o conto 'Só os nenos e nenas poderán salvar a Terra', o último dos escritos pola compostelá Luz Fandinho. Di ela que sempre quixo ser mestra namentres as crianzas son pequenas "porque é aí cando se endereitan as árbores" e conta que a paixón polos relatos infantís lle vén de cativa, de cando a súa nai lle lía As mil e unha noites e a avoa lle contaba historias da Santa Compaña. "Moito medo me metían no corpo!", exclama entre risos. Porén, recoñece que gostaba de as escoitar. Quen coñece a Luz Fandinho sabe da súa privilexiada memoria, que lle permitia repetir para outras crianzas da súa idea os contos que nai e avoa lle ensinaran primeiro a ela. "Outros tamén os inventaba", explica, e acrecenta que a súa ansia por narrar historias facía que a súa nai se mofase dela con cariño: "aí está a avoíña", dicíalle. 'A farangulliña de neve' Con 81 anos, a escritora e poeta compostelá ten polo menos tres contos breves publicados e outro que está a piques de saír do prelo. O primeiro, o seu favorito, escribiuno haberá uns vinte anos. Xa nin ela se lembra ben. Entitulouno 'A farangulliña de neve' e as existencias están esgotadas. "Teño que imprimir máis copias", sinala emocionada, malia que recoñece que é "moi preguiceira" para a prosa. "Este contiño escribino para fuxir da rima, mais non o conseguín de todo", recoñece Fandinho. 'Kaltune, a fadiña da praia' A historia do seu seguinte conto atopouna nunha praia de Marrocos, nunha viaxe que fixo ao país africano en 1993. Alí coñeceu Kaltune, unha nena que facía debuxos na praia. "Até me fixo algúns nas mans con hena", recorda a escritora que contou a experiencia con aquela rapaza nun relato ao que chamou 'Kaltune, a fadiña da praia'. 'Só os nenos e as nenas poderán salvar a Terra' Andando o tempo Luz Fandinho pariu un conto novo "e con mensaxe", matiza. "Non é unha reprimenda só para as nenas e os nenos, senón tamén para os adultos, mais tomando en conta que só as crianzas, as xeracións vindeiras, poderán mudar as cousas". Esta mensaxe levouna de colexio en colexio por varios concellos da Galiza. En Vedra, o alumnado animouse a facer os debuxos que o ilustran canda unha capa que vai asinada por Olga Vieites. A visita ás escolas "foi un agasallo inmenso e o conto gostou moito. As crianzas son moi sinceras: se non gostan, dino". A presentación deste breve relato de doce páxinas está prevista para esta sexta feira ás 20.30h na libraría Lila, en Compostela. 'A carballeira engaiolada' Porén, Fandinho non para. Cando descansa da poesía ponse cos contos e hai outro que xa está na imprenta: 'A carballeira engaiolada'. Aquí reparte contra todo: contra quen agrede a nosa lingua e a nosa paisaxe mais tamén hai "espiñas de toxo" para a relixión. O relato narra a luita contra un poderoso que quería arrasar unha carballeira comunal para construír un pazo. Na portada, tamén ilustrada por Olga Vieites, o levantamento veciñal vai encabezado polas mulleres. E como a escritora quería ser mestra, a reflexión final desta conversa vai para o ensino: "faltan contos e falta material para as crianzas que estea na nosa lingua, mais falta tamén un profesorado concienciado e comprometido. Das políticas dos gobernos xa non vou dicir nada". Polo prezo de 3,50€ nais e pais poderán lerlles ás súas crianzas unha historia onde os astros xulgan o inverno por demorar tanto en marchar, impedindo que floreza a primavera. O paralelismo coa realidade procúreno vostedes propi@s. Luz Fandinho pide que lle fagan chegar "unha crítica honesta, malia que non sexa grata, que así tamén eu aprendo".
NOS_671
A manobra permitirá ao partido instrumental manter formalmente a condición de segunda forza parlamentar. Contodo, a xogada de Xoán Hermida ao non renunciar ao escano -aumentar a presión sobre Paula Quinteiro- non se viu coronada con éxito. A militante de Anticapitalista continúa no seu escano e En Marea perde a efeitos prácticos un deputado, após a demisión de Juan Merlo.
Xoán Hermida -que como informou Sermos é deputado a todos os efeitos desde a pasada sexta feira- vai formalizar esta quinta feira a súa incorporación ao grupo parlamentar de En Marea. O prazo para así o facer concluía esta quinta feira ás 18.30. Este movimento pactouno esta cuarta feira Hermida con Luís Villares, o seu referente político dentro da confluencia. Destarte, En Marea retén a condición de segunda forza no Pazo do Hórreo -ten 14 escanos, os mesmos que o PSdeG, mais está por diante ao ter obtido máis votos nas eleccións de 2016-. De non formalizar a súa alta na agrupación parlamentar da confluencia, Hermida tería sido adscrito automaticamente ao grupo mixto. O que non varía é a súa intención de non tomar posesión do escano, para en teoría manter a presión sobre Quinteiro. É un aceno político que por si mesmo está condenado ao fracaso. A militante de Anticapitalistas ten o respaldo da maioría do grupo e o seu futuro político non vai depender das evolucións de Hermida na cámara galega. Debe ficar claro que, aínda que non tome posesión do escano, Hermida continuaría a ser deputado a todos os efeitos. Simplesmente non accedería a determinadas faculdades e prerrogativas (entre elas, o salario e o dereito a participar nos plenos). Hermida só deixaría de ser deputado se renuncia formalmente á súa acta, co que correría a lista de En Marea e entraría no Pazo do Hórreo a podemita Julia Torregosa, crítica con Luís Villares. Para tomar posesión, o regulamento fixa un prazo de tres sesións plenarias a contar a partir do momento (a pasada sexta feira) en que lle foi comunicada formalmente a Hermida a súa condición de deputado. Se se esgotar ese prazo sen cumprir os requisitos regulamentarios, o parlamentar fica dentro da institución, mais sen plenitude de dereitos. Porén, esta situación é reversíbel. En calquera momento posterior Hermida -que esta quinta feira oferece unha conferencia de imprensa en Pontevedra- podería asistir a unha sesión plenaria e prestar promesa ou xuramento do Estatuto e a Constitución, co que se igualaría en prerrogativas ás súa compañeiras. Ao non ter neste momento plenitude de dereitos, Hermida será un deputado non utilizábel por parte do grupo, que a efeitos operativos perde un efectivo após a demisión de Juan Merlo. O Consello da Marea activa a consulta sobre Quinteiro E mentres tanto, o órgao executivo da confluencia, a Coordenadora convocou para este sábado unha reunión do máximo órgao do partido instrumental entre plenarios, o Consello da Marea. Na orde do día, a activación da consulta entre a militancia sobre o affaire Quinteiro.
NOS_14800
Após a imaxe d@s concelleir@s de Industria e Traballo da Galiza disfrazad@s de home de negocios ela e de traballadora da limpeza el para figurar un pouco afortunado troco de roles, o Goberno madrileño enceta o Día internacional das mulleres pondo o acento nos estereotipos
Coa chegada do 8-M, Día internacional das mulleres, imprensa e institucións acórdanse de que a discriminación por razón de xénero existe e de que o camiño para a combater segue a ser pedregoso. As distintas administracións sacan a relucir as cifras do que invisten en políticas de igualdade ou na loita contra o terrorismo machista e colocan no calendario actos institucionais polo xeral faltos de compromiso e políticamente correctos. Porén, sempre hai quen rache co molde. Após os disfraces de globos que construíron para a ocasión @s conselleir@s Javier Guerra e Beatriz Mato en 2010, de traballadora da limpeza il e de home de negocios ela e que foron tildados pola oposición (BNG e PSOE) de "frívolos e deplorábeis", desta volta foi o Goberno de Madrid quen baseou a súa campaña en agasallar as mulleres galletas decoradas con forma de bolso, cremas faciais, packs de cosmética, descontos en lenceiría, un tupper con culleres e garfos e aulas de aerobic. Así decorrerá unha campaña que o Executivo que preside Ignacio González presentou en sociedade baixo o lema 'Decisivas' no mesmo acto en que se gabou de destinar até sete millóns de euros en actuacións en prol "da prevención, a sensibilización e a asistencia integral ás vítimas de violencia de xénero".
NOS_43744
A Asociación Cultural, Gastronómica e Desportiva "O Submarino" de Miño celebra esta fin de semana, os días 13 e 14 de Agosto, a segunda edición do seu particular festival, co apoio de máis de 40 locais colaboradores e veciños de todo Miño.
As actividades comezarán o sábado 13 de agosto ás 21 horas, co pregón do festival, a cargo de Xurxo Souto, escritor e cantante dos Diplomáticos de Montealto, entre outras moitas cousas. Logo os asistentes poderán gozar da música do grupo local "The Artificieros", arredor das 22 horas. O "guiso dos pobres" Ademais servirase un prato local, non degustado por moitos dos seus veciños desde hai anos, o chamado "guiso dos pobres", antiga receita mariñeira da localidade, da que se ofrecerán varias versión particulares, elaborada por veciños e cociñeiros locais. Domingo, o día grande A xornada máis completa será domingo 14 de agosto, con actividades desde as 9 da mañá, coa alborada interpretada por músicos da Asociación "O Castro", tamén de Miño. Ao longo de todo o día, auténticos artesáns e profesionais de oficios tradicionais, ofrecerán obradoiros e mostras interactivas. Ás 11:30 horas, iniciarase un obradoiro de monicreques por parte de "Viravolta Títeres", coa representación da obra "Vida, crimes e prisión de Toribio de Mañón", apta para todos os públicos, e logo haberá outro taller de xogos tradicionais. Arredor das 12 horas, noutro espazo da Rúa Real, o grupo de música e baile "Ferreiriños" interpretará pezas de música tradicional, con baile e introdución ao mesmo dos asistentes da rúa que se queiran incorporar. Na "hora da fame", os hostaleiros e os socios de "O Submarino" ofrecerán un "Xantar na Rúa", con pratos, bebidas a prezos populares. Ás 17horas, o dúo "Blues do País" coa Diva Rural e Bluesmanciño presentarán o seu novo traballo discográfico. Tras esta actuación, e como novidade, este ano representarase unha obra teatral sorpresa. Xa ás 19 horas, o grupo pontés "Os Feroces da Galgueira" levará a música tradicional a toda a rúa. Como derradeira actuación prevista do Frionorostro Féstival 2016, a banda "Festicultores" presentarannos a súa música de xeito desenchufado e sen escenario fixo, como é característico desta formación. Actividades culturais participativas "O Submarino" volve un ano máis, pola petición dos veciños do pobo, segundo a organización, "ao ataque coa súa filosofía de organizar actividades culturais participativas, accesibles e que inclúan a tódolos públicos, potenciando a cultura da Galiza e facilitando espazos de comunicación co público a artistas, artesáns e intelectuais, comezando polos propios veciños de Miño, e sen deixar á marxe a ninguén". O festival comeza xa días antes coa decoración da rúa de xeito distinto, en colaboración con socios e veciños da rúa, con motivos mariñeiros coma redes, velas, bandeiras navais e outras pezas deste tipo.
NOS_8038
Através do BNG, a Asociación Monte Pindo Parque Natural, preguntará á Xunta pola súa xestión da catástrofe no Olimpo Celta.
Após un ano do incendio acontecido no Monte Pindo, o goberno galego terá que responder ás preguntas da Asociación que está a promover a recuperación e protección deste espazo natural. A Xunta de Galiza --titular da xestión do Pindo-- continúa sen dar conta dos plans de actuación que ten previsto acometer nen tampouco a respeito da proliferación de eucaliptos nas inmediacións do LIC, como denuncian desde Monte Pindo Parque Natural. Neste senso, a administración mesmo rexeitou atender a chamada de Sermos Galiza con motivo da reportaxe publicada no número 114 do noso semanrio. Así é que "se a Xunta non vai ao Monte Pindo", din desde o colectivo veciñal e social, "o Monte Pindo vai á Xunta". Através da deputada do BNG, Ana Pontón, a asociación preguntará en sesión parlamentar pola "impunidade do autor material, a falta de avaliación das consecuencias desta catástrofe, a carencia total de iniciativas e recursos para a reparación dos danos e a recuperación do espazo mediante un plan de xestión" e pola "irrupción de eucalipto que invade xa centos de hectáreas ata ameazar á especie máis valiosa deste espazo, o carballo anano", sinalan desde a súa páxina web. Cumpre lembrar que a asociación e o Concello de Carnota están a estudar a posbilidade de rachar a concesión que outorga a xestión do Monte á Xunta.
NOS_15199
Luar na Lubre é o prato forte da V edición do festival As Cores do Outono que chega, precisamente, co inicio da estación. Este sábado, a partir das 16 horas, na Pobra do Brollón.
A Pobra do Brollón acolle este sábado, día 22, unha das citas máis relevantes do calendario de festivais de música tradicional, As Cores do Outono, que chega a súa quinta edición. Terá lugar a partir das 16 horas na casa da cultura Olga Novo e na área recreativa de Samugueiros, onde tivo lugar a presentación do festival. A cita encetará ás 16 horas cun faladoiro na casa da cultura en que tomará a palabra Bieito Romero, fundador de Luar na Lubre. Continuará, no mesmo lugar, ás 19.30 horas co circo clown Circo Chosco. Os concertos dos Searas, Os Carapaus e Luar na Lubre darán comezo ás 21 horas na área recreativa de Samugueiros e terán un condutor de luxo, o humorista, poeta e dramaturgo Lois Pérez. Un "festival de referencia" Durante a presentación do acto, o alcalde da Pobra, Xosé Lois Maceda, puxo de manifesto que As Cores do Outono está consolidada como festival de referencia da comarca para afondar nas diferentes vertentes da cultura, "formúlase como unha cita multidisciplinar na que a música tradicional galega é a protagonista, acompañada do teatro ou do cine". Antón Veiga, deputado do BNG, valorou o festival como unha cita fundamental para afondar nas raíces culturais, mentres que Xosé Ferreiro, tamén deputado nacionalista, salientou o valor engadido que representa un escenario natural como a área de Samugueiros. Roteiro de Historia de Galiza A fin de semana complétase na Pobra do Brollón cunha interesante proposta que terá lugar o domingo, día 23. Trátase dun roteiro de Historia de Galiza "Polas terras irredentas de Lemos, a última gran batalla dos guerrilleiros na Galiza". Non cabe dúbida de que A Pobra do Brollón é o plan perfecto para gozar da fin de semana: música, cultura, natureza e historia.
NOS_43773
Numerosos esqueletos de crianzas de até tres anos de vida foron localizados en cámaras subterráneas dun centro de monxas situado na localidade de Tuam (Galway), en Irlanda. Trátase dun convento que funcionou como casa de acollida para nais solteiras entre 1925 e 1961.
Nun convento que funcionou como casa de acollida para nais solteiras entre 1925 e 1961 na localidade de Tuam (Galway), atopáronse numerosos restos de crianzas soterrados en cámaras subterráneas. A investigación tivo lugar após a creación dunha comisión por parte do Goberno en 2014 a raíz de denuncias sobre a posíbel existencia duns 800 esqueletos de crianzas nunha fosa común próxima ao centro relixioso. A partir de entón, a chamada Comisión sobre Nais e Bebés realiza pescudas en casas de acollida dirixida por ordes relixiosas católicas no século XX. As investigacións do Goberno tratan de botar luz sobre os altos índices de mortalidade infantil que se rexistraron nestas institucións durante o pasado século, as prácticas de soterramento das falecidas e falecidos, as políticas de adopcións e programas de vacinación experimental. 800 crianzas mortas A historiadora Catherine Corless, que descubriu certificados de defunción que apuntan ás 800 crianzas mortas, cifrou a mortalidade infantil nestes lugares entre o 30 e o 50 por cento durante a década dos trinta e dos corenta como consecuencia das duras condicións de vida e a neglixencia das relixiosas. Segundo o Goberno, unhas 35.000 nais solteiras pasaron por algún dos dez centros de acollida xestionados por ordes de monxas desde os anos vinte do século pasado até os sesenta. En 2013, outra investigación oficial revelou o comportamento das monxas católicas nas chamadas Lavandarías da Magdalena, onde entre 1922 e 1996 milleiros de internas traballaron nun réxime de practicamente escravitude e abusos.
NOS_27186
Os tres partidos da oposición renovan o Espazo parlamentar pola defensa dos animais, que terá seis integrantes e transladará á Cámara iniciativas amparadas polo colectivo ecoloxista Libera
O Espazo parlamentar pola defensa dos animais continuará o seu traballo nesta lexislatura, após renovar o seu compromiso BNG e PSOE e sumarse AGE tamén a el. Na rolda de imprensa realizada esta cuarta feira, Rubén Pérez, voceiro de Libera, sinalou que o obxectivo polo que pularán será a reforma da Lei de protección animal, que data de 1993, "para adaptala ao século XXI". Así as cousas, o EPDA creouse en maio. Nel repiten representación Carme Adán (BNG) e Carmen Gallego (PSOE). Pola formación nacionalista súmase Ana Pontón, e polo PSOE faino Patricia Vilán. Eva Solla e Antón Sánchez (AGE) completan a relación de deputad@s que defenderán na Cámara galega iniciativas que incidan na loita contra os malos tratos aos animais, o abandono de animais domésticos e o comercio ilegal, así como denunciar a matanza de lobos e pexas aos cabalos. Segundo adiantou Pérez Sueiras, cómpre traballar "en concienciación e educación" e, após rexeitar "a explotación animal como espectáculo" incidiu na necesidade de controlar as condicións en que viven as especies en acuarios e circos, para alén de avanzar cara a prohibición da entrada a crianzas menores de idade en espectáculos taurinos e a celebración destes eventos pagados con diñeiro público.
NOS_24845
O fiscal suízo Yves Bertossa estreita o cerco sobre as fundacións e as contas de Juan Carlos de Borbón. Do resultado das súas indagacións dependerá o futuro xudicial do pai do actual rei de España, onde o proceso foi asumido esta semana polo Tribunal Supremo, o principal órgano xudicial español.
Como un agoiro do que acontecería días despois, o xornal español ABC, de tendencia monárquica, publicaba no 2 de xuño un artigo da súa correspondente para a Casa Real, Almudena Martínez-Fornés, titulado "O Rei que ensombreceu o final dun reinado de éxito" e subtitulado "Impecábel no institucional, cometeu fallos inexplicábeis no terreo persoal". Martínez-Fornés repasa nesta crónica a vida de Juan Carlos I, partindo de dúas "atenuantes" de cara aos erros que relatará máis adiante do que foi xefe do Estado español entre 1975 e 2014: "A primeira, unha longa tradición familiar de contas no estranxeiro, que lles permitiron sobrevivir nos duros exilios, e a segunda, un matrimonio que aínda que foi elixido libremente tamén puido ser condicionado polas vellas normas da Monarquía, que exixían aos Herdeiros da Coroa casar con Princesas". Despois de liñas de loanza polo seu "encanto persoal" e pola "fascinación que producía", ademais doutros dos que a correspondente do ABC considera logros, como que "propiciou a única Constitución española froito do consenso", "foi un exemplo de estabilidade e alternancia política, con só seis presidentes do Goberno en case 39 anos" ou "foi o home que na noite do 23 de febreiro de 1981 salvou a democracia dun golpe militar", Martínez-Fornés chega á parte sombría. Cunha explicación para o seu descarrilamento. Sinala a cronista: "Foi hai máis de 15 anos, cando as cousas comezaron a se torcer. Aquel home que tivera un comportamento impecábel no terreo institucional comezou a cometer erros case inexplicábeis na súa vida persoal, á vez que coñecía unha ambiciosa muller 26 anos máis nova ca el, con grandes aspiracións no mundo dos negocios, chamada Corina Larsen". "Todo depende de Suíza" A peza foi publicada a semana pasada. Esta comezaba coa nova que está a ocupar a información da maioría dos principais medios da prensa española: a Fiscalía do Tribunal Supremo asumiu as dilixencias por branqueo de capitais e delito fiscal en que está involucrado Juan Carlos de Borbón, que só poderá ser imputado por feitos posteriores á súa abdicación en xuño de 2014. O actual proceso iniciouse o 3 de marzo, cando o xornal Tribune de Genève publicou que a Fiscalía suíza investigaba nunha doazón de 100 millóns de dólares do rei de Arabia Saudí ao rei emérito español, froito da suposta mediación deste último no contrato do AVE á Meca, e que acabara nun banco dese país. Durante os seguintes días, relata eldiario.es, publicáronse detalles da pescuda, que obrigaron o rei Felipe VI, no 15 de marzo, a retirar a asignación constitucional que até entón percibía o pai del. Tamén, nun acto máis simbólico que de relevancia xurídica, a renunciar á súa herdanza. Agora, segundo explica o xornal Público citando dúas fontes do ministerio público, "todo depende de Suíza". "Do que chegue de Xenebra dependerá se o rei emérito senta no banco acusado de corrupción ou se, pola contra, queda exonerado unha vez aclarada a súa implicación" no manexo dos 100 millóns de dólares en Suíza. Tamén citando fontes do Ministerio Fiscal, o diario El Confidencial relata que "as empresas españolas que se adxudicaron en 2011 o AVE Meca-Medina pactaron un ano antes cun dos membros máis destacados da casa real saudita pagarlle 120 millóns de euros por supostos servizos de consultoría". Este contrato forma parte das dilixencias que mantiña abertas a Fiscalía Anticorrupción e constitúe, a xuízo do Ministerio Público, "un dos indicios máis fortes de corrupción ao redor da infraestrutura". O ABC, pola súa banda, involucra o poder Executivo nas decisións do Xudicial. Na portada de onte, titulaba: "[Dolores] Delgado impón á Fiscalía do Estado servir ao Goberno". Nas páxinas interiores explica "as manobras da fiscal xeral" en tres casos que marcan e marcarán a política española: o do major dos Mossos (máximo cargo do corpo de policía catalán) , Josep Lluís Trapero; o da investigación polas marchas do 8-M en Madrid; e o do rei emérito. Segundo a revista Forbes, a fortuna de Juan Carlos de Borbón estímase en, como mínimo, 2.000 millóns de euros, aínda que o seu patrimonio é un dos maiores segredos no Reino de España. Comisión parlamentaria "O Goberno non vai interferir. A Xustiza é igual para todos". Esas foron as declaracións da ministra portavoz do Goberno de España, María Jesús Montero (PSOE), pouco despois de o seu socio no Executivo, Unidas-Podemos, reclamar a posta en marcha da comisión de investigación no Congreso que meses antes foi rexeitada, segundo informou TVE. O BNG, a través do seu deputado, Nestor Rego, tamén confirmou que volverá pedir esa comisión. Da mesma maneira pronunciáronse o resto de formacións independentistas, nacionalistas e Más País. Pola súa banda, o principal partido da oposición, o PP, manifestou o seu respecto ás decisións xudiciais así como á institución, a Coroa, que o partido da extrema dereita Vox cre que é o que se está a xulgar realmente no canto do delito en si.
NOS_42442
A Consellaría de Educación aceptou a proposta da CIG-Ensino xunto coa de permitir o acceso do profesorado interino ás licenzas de formación.
A Mesa sectorial de Educación decorida na terza feira reuniu as organizacións sindicais e @s representantes do gobeno galego. Riba da mesa a aplicación da LOMCE e do decreto que desenvolve a nova política educativa, nomeadamente en relación aos currículos escolares do ensino secundario e bacharelato. Após expor o seu rexeitamento á nova norma e demandar a súa retirada por afondar nun ensino "mercantilista" e "privatizador", desde a CIG-Ensino arrincáronlle dous compromisos á Consellaría de Educación: ampliar unha hora máis o estudo de Filosofía no primeiro curso de Bacharelato e a posibilidade de que o profesorado interino acceda ás licenzas de formación no vindeiro curso (2015-2016). A respeito das licenzas de formación a central sindical denunciou a "drástica redución" destas horas desde 2012 pasando de 1.450 o cómputo total a apenas 500 nos dous últimos cursos. Na xuntanza, a organización sindical maioritaria expuxo ao conselleiro, Román Rodríguez, o seu rexeitamento ás reválidas que atinxirán o estudantado de Primaria, Secundaria e Bacharelato por supor a "supresión na práctica da avaliación contua". Estas probas comezarán a aplicarse este curso entre o alumnado de 3º de Primaria e afectarán a 22 mil estudantes.
NOS_47772
Diminúe a emigración a outros territorios do Estado español e aumentan en máis de 10% aquelas a destinos fóra das fronteiras estatais.
Un total de 30.249 persoas marcharon da Galiza en 2017, último ano con rexistros. Máis de 80 cada día. Dese total, 18.380 galegos e galegas fixérono con destino a outro territorio do Estado español (1,95% menos que no ano anterior) e 11.869 ao estranxeiro (10,03% máis que en 2016). De por parte, a Galiza chegaron 36.932 persoas, aumentando en 21% as que chegan do estranxeiro e 6,14% as doutras autonomías. Nas táboas do IGE hai un desglose dos e dos destinos das emigrantes galegos a outros territorios do Estado. Madrid e Catalunya continúan sendo os principais focos de recepción. Case 5.500 galegos e galegas deixaron en 2017 o país tendo a capital do Estado como destino, mentres que 2.468 foron a Catalunya. Canarias (2.215 galegos e galegas emigradas) e Andalucía (1.712) configuran os catro principais destinos españois da emigración galega. Entre 2002 e 2015, e segundo dados do Instituto galego de estatística, emigraron perto de 379.000 galegos. Deles, 280.000 con destino a outros territorios do Estado español mentres que 99.000 tiveron que coller rumo a outros estados. Eses 378.870 habitantes que perdeu Galiza neses anos pola vía da emigración é equivalente á totalidade da poboación que teñen as cidades de Vigo (293.000) e Pontevedra (82.000) sumadas. Ou, por dar unha última comparación, máis que todas as persoas que viven na provincia de Lugo (336.000 habitantes). En 2019 residían en Europa (sen ter en conta Galiza nin Estado español) 110.554 galegos e galegas. Suíza (41.104 galegos e galegas), Francia (19.120) e Alemaña (17.388) e Reino Unido (14.736) son os países con maiores comunidades galegas. Entre 2003 e 2015 perto de 50.000 mozos galegos con titulación universitaria tiveron que coller as maletas para traballar noutros territorios do Estado, nomeadamente Madrid e Catalunya, tamén destinos clásicos doutra emigración, a dos anos 50 e 60, que baleirou non poucas zonas do noso territorio
NOS_44008
Máis un semanario na rúa e novos contidos: a insdustria xoga suxo bo sector do leite, entrevistas a Martiño Noriega e ao actor Javier Gutiérrez, crónica da manifestación pola liberdade de Otegi...e moito máis. Xa á venda na nosa loxa.
O Sermos Galiza nº118 xa está na rúa e na loxa. Un semanario onde o tema central adicámolo desta volta os salarios e ao debate aberto. Após 10 trimestres de devaluacións salariais, o propio establishment económico e político comeza admitir que se fai necesaria unha suba de soldos para tirar de demanda e o consumo. O que non deixa de ser unha emenda á totalidade do discurso mantido polo poder sobre como afrontar a crise. Adrián Dios completa a información co artículo "Baixar os salarios? Algunhas ideas contra o discurso neo-liberal". Entrevistamos a Martiño Noriega, coordenador nacional en funcións de Anova-Irmandade Nacionalista: ""Anova sae desta asemblea nacional coherente consigo propia", afirma. Tamén analizamos o decorrer dunhas asembleas abertas nas que o BNG vese reforzado. O Consello Nacional do Bloque analizará polo miúdo este sábado 18 de outubro o proceso de asembleas abertas no que participaron 5.000 persoas por todo o país. Xavier Vence xa avanzou que foi xeral o sentir por "un proxecto de país, con forzas políticas propias". O ébola 'Ébola. O virus que a neglixencia engordou'. Os recortes, a mala xestión ou a teima por botarlle as culpas aos demais deixa o Goberno español de novo en evidencia após unha traballadora galega fose contaxiada nun hospital de Madrid pola perigosa enfermidade, da que intenta recuperarse namentres se intensifican as queixas do persoal dos hospitais públicos. "Non nos dan seguridade", afirman desde a CIG-Saúde. Tamén falamos de como a Xunta otorgou a unha empresa privada as prazas dun centro vigués, xestionado durante 47 anos polos propios familiares baixo unha entidade sen ánimo de lucro. "Ninguén nos vai a convencer de que van a estar mellor nunha residencia privada que nun centro que levamos os pais", din os familiares. Fimo e sector do leite 'Como viven os traballadores aos que se lles adebedan 15 nóminas?' Os catro empregados de FIMO, en Ferrol, acoden a diario aos seus postos de traballo mentres o xulgado anuncia a poxa dos 47.000 metros cadrados de recinto feiral polo impago dun préstamo de máis de medio millón de euros. Ameazas ás explotacións e baixadas "unilaterais" dos prezos en orixe ameazan un sector no que Galiza é estratéxica, mais que adoece pola falta de intervención pública. Falamos desta realidade na reportaxe 'A industria xoga suxo no sector do leite'. Patinaxe artística e entrevista a un dos actores de 'La isla mínima' 'Aida Vieites leva a maxia ao Mundial'. A galega conseguiu un quinto posto no campionato de patinaxe artística que tivo lugar en Reus e confirma o seu grande momento de forma. 'Liberdade para os 5' é o título da crónica que fai David Pena da manifestación que percorreu Elgoibar, vila natal de Arnaldo Otegi,e que reclamaba a liberdade para o líder da esquerda abertzale, ben como para Rafa Diez, Arkaitz Rodríguez, Miren Zabaleta e Sonia Jacinto. Entrevistamos a Javier Gutiérrez, actor galego que gañou a Concha de Prata e co-protagonista do filme 'La isla mínima': "Se o cinema que facemos non chega ao público non sería outra cousa que un exercicio de masturbación". Serra de Meira e Okapi En Viaxes na Miña Terra percorremos a Serra de Meira e no Okapi 'Dous libros "pelados" de orixe galega na lista dos mellores do mundo'. "Os libros Nicomedes o pelado de Pinto&Chinto de Kalandraka e Galiño Pelado de Paula Carbonell e Philip Giordano en Oqo foron escollidos como un dos douscentos mellores do mundo do ano, son os títulos galegos da The White Ravens 2014. Na contra-capa entrevistamos a Jano, autor de banda deseñada e un dos responsábeis de O Botafumeiro. "Fuximos de tópicos".
PRAZA_1945
Que teñen en común o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, Luis Maldonado (ex número dous de Bankia con Rodrigo Rato) e a filla da Conselleira de Sanidade da Xunta de Galicia?
Que teñen en común o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, Luis Maldonado (ex número dous de Bankia con Rodrigo Rato) e a filla da Conselleira de Sanidade da Xunta de Galicia? A resposta é Price Waterhouse Coopers, tamén coñecida como PwC, unha das grandes multinacionais de asesoría e consultoría legal e fiscal, que acostuma realizar informes independentes para axudar a privatizar todo canto servizo público atopa no camiño. Encárgase, ademais, de auditar as empresas máis poderosas do mundo desde hai décadas. Trátase dunha consultora con moito prestixio nos grandes medios a pesar de que 61 dos seus altos cargos e a propia empresa acabasen nos tribunais do Estado Español por, supostamente, defraudar 40 millóns de euros falseando salarios para evitar tributar ou facelo por menos do que correspondía. Pois ben, esta é a empresa que a Xunta, a dos grandes xestores Núñez Feijoo e Alfonso Rueda, escolleu para que adxudicase o contrato do novo Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, do que tanto se está a falar nos últimos meses. Esta é, por acaso, a empresa para a que traballaba Rocío Mosquera Álvarez, filla da Conselleira de Sanidade. Trátase dunha consultora con moito prestixio nos grandes medios a pesar de que 61 dos seus altos cargos e a propia empresa acabasen nos tribunais defraudar 40 millóns de euros falseando salarios Existe un precedente ben documentado. En 2013, PwC elaborou un informe no que recomendaba ao goberno da Generalitat de Catalunya a privatización de 18 hospitais e 45 centros de atención primaria. A publicación do documento obrigou ao encargado de Sanidade do goberno catalán, Boi Ruiz, a desmentir en sede parlamentaria que o seu goberno pagara pola redacción do mesmo. Segundo a súa versión, PwC confeccionárao por iniciativa propia. Logo sóubose que a Generalitat pagara en 2012 uns setecentos mil euros por diferentes servizos, todos eles ían na mesma liña de pretender xustificar o desmantelamento do sector sanitario catalán. Esa relación entre Generalitat e PwC, se quixéramos pensar mal, podería ter algo que ver con que o exconselleiro de Presidencia na etapa de Jordi Pujol, Joaquim Triadú, traballe agora na propia consultora. Esta é a empresa que a Xunta, a dos grandes xestores Núñez Feijoo e Alfonso Rueda, escolleu para que adxudicase o contrato do novo Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, do que tanto se está a falar nos últimos meses Certamente, Triadú non é o único que empregou a porta xiratoria entre PwC e altos cargos públicos. Sucede o mesmo con Jaume Matas, expresidente balear, agora en prisión, que foi contratado pola matriz americana para asesorar en custións medioambientais. Son coñecidos, ademais, os casos de Carmen Becerril, que foi Directora Xeral de Política Enerxética e Minas no Ministerio de Industria e máis tarde Directora de Consultoría Estratéxica do Sector Enerxético para PwC, ou o de Jordi Sevilla, exministro do PSOE e máis tarde alto cargo na devandita compañía. Hai tamén exemplos no sentido contrario, como o de Olga García Frey, que tras traballar en PwC ocupou a dirección do ICO, con tan bos recordos da súa época na consultora que adxudicou varios contratos á mesma en lugar de inhibirse como debería ter feito por lei. Así, actualmente está cumprindo unha inhabilitación de sete anos para execer cargos públicos. Pero se alguén destaca dentro desta nómina é o señor Luis de Guindos, actual Ministro de Economía, encargado de executar os recortes que impón a Troika, convertindo o traballo digno nunha peza de museo e instaurando a precariedade como única saída ao paro estrutural que padecemos. Lembremos que De Guindos foi presidente de Lemhan Brothers en España, o banco norteamericano que quebrou en 2008, abrindo a chamada crise, e que meses depois pasou a traballar en PwC, que foi a empresa encargada de liquidar a entidade. Por que un artigo sobre PwC? Pois por poñer nome aos saqueadores do sector público e porque para recuperar os nosos dereitos e acadar a xustiza social non chega con cambiar as persoas que ocupan as institucións, cousa que urxe facer, senón que tamén hai que poñelas a funcionar de xeito transparente e aberto. Temos que implicarnos moito máis na xestión dos asuntos públicos, construíndo ferramentas e procesos cada vez máis participativos, para que nunca máis as voces que escoiten as persoas que ocupan as institucións sexan murmurios a escondidas nos despachos en benefico de intereses privados, senón voces capaces de abrir as institucións a novas ideas e prácticas, esforzándose en garantir e ampliar os dereitos de todas e todos.
PRAZA_20075
O Goberno galego evitou acusar a un dos dous técnicos autonómicos condenados por suborno. O presidente xa avalara non actuar contra funcionarios e cargos do PP nos casos Cela e Campeón Fiscalía e Xunta deixan en multa de só 720 euros a condena do técnico que ía "repartir Galicia" en contratos
O pasado martes, no que foi a resolución final do caso Retablo de corrupción con arte sacra, a Xunta e a Fiscalía asinaron nos xulgados de Santiago un acordo que evitou unha posible condena de cárcere para dúas persoas que traballaron como técnicos autonómicos e que admitiron recibir subornos valéndose dos seus postos. A cambio, terán que pagar multas de só 720 e 2.200 euros e un deles é inhabilitado para cargo ou emprego público durante seis anos. Malia o reducido da sanción económica fronte ás penas de cárcere que se lles pedía inicialmente, este xoves o presidente, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que "delinquir na Xunta non sae barato" e asegurou que a perda do posto de traballo "é o máximo que se lle pode pedir a un empregado público". No caso Retablo, o Goberno galego evitara acusar a un dos dous técnicos autonómicos condenados por suborno, mentres que aceptou rebaixar notablemente a pena que pedía inicialmente para o outro Dúas das persoas que o pasado martes admitiron ser autoras de delito de suborno sen chegar a xuízo para librarse do cárcere interviron na trama valéndose do seu traballo para a Xunta, no que decidiron sobre obras que moveron uns 700.000 euros de fondos públicos. Un deles, Carlos Gómez-Gil de Aizpurúa, foi técnico de rehabilitación da Consellería de Cultura, e o outro, José Manuel Pichel, prestou servizos como arquitecto autónomo á sociedade pública de xestión do Xacobeo. A Xunta chegaba ao xuízo sen acusar de nada a Pichel, mentres que para Gómez-Gil pedía sete anos de cárcere e 17 de inhabilitación. Pola súa banda, a Fiscalía pedía para Gómez-Gil tres anos de cárcere e cinco de inhabilitación e para Pichel dous de cárcere e tres de inhabilitación. Porén, o acordo final aceptado pola Xunta deixa a Pichel, que xa non era funcionario, sen ningunha pena de inhabilitación nin de cárcere e tendo que aboar só unha multa de 720 euros, mentres que Gómez-Gil asume dous anos de cárcere que non terá que cumprir, seis anos de inhabilitación (once menos do que comezara pedindo a Xunta) e unha multa duns 2.200 euros. Preguntado este xoves polo motivo polo que a Xunta aceptou o acordo e se non supón enviar unha mensaxe aos traballadores públicos de que delinquir sae barato, o presidente Feijóo negou a maior. Por unha banda, o presidente dixo descoñecer o acordo, do que responsabilizou á Asesoría Xurídica da Xunta. E logo asegurou que "delinquir na Xunta non sae barato". Feijóo salientou que os condenados con este acordo "o primeiro que perderon foi o seu posto de traballo" e engadiu que "é o máximo que se lle pode pedir a un empregado público". O presidente xa avalara non actuar contra funcionarios e cargos do PP nos casos Cela e Campeón O acordo aceptado pola Xunta o pasado martes para reducir as penas dos acusados no caso Retablo chega logo de que nos últimos meses o Goberno galego evitase actuar na vía xudicial contra ex-cargos do PP e funcionarios ou ex-traballadores da Xunta por outros dous casos que inclúen malversación e delitos contra a Facenda Pública, entre outros: o caso Campeón e o da Fundación Cela. No Campeón, o primeiro gran caso de corrupción na Xunta desde a chegada de Feijóo, o Goberno galego só actúa como acusación contra 9 dos 13 implicados, os empresarios da trama, pero non o fai contra os outros catro cargos públicos, que son o ex-director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Joaquín Varela, o ex-subdirector de Información dese mesmo ente, Carlos Silva, a súa responsable de Financiamento, Cristina Quintela, e o ex-deputado autonómico do PP Pablo Cobián. Sobre os tres primeiros traballadores autonómicos pesan delitos contra a Facenda Pública mentres que o político popular afronta tamén o de tráfico de influencias. No caso Cela, no que hai catro acusados, os catro logo de actuar como funcionarios públicos e un deles mesmo foi conselleiro de Fraga, Dositeo Rodríguez, a Xunta non está nin sequera persoada na causa. Igual que agora co caso Retablo, en xuño do pasado ano Feijóo xa deitara na Asesoría Xurídica da Xunta a responsabilidade de contra quen actuar ou non na vía xudicial en defensa dos intereses públicos.
NOS_32545
Tan só catro anos após se instalar na planta de Outeiro de Rei, continúan sen se resolver as incógnitas que pairan sobre a quebra de Alimentos Lácteos. U-las responsabilidades políticas?
A quebra de Alimentos Lácteos deixou lastre. Após dous anos de se declarar en concurso de acredores e catro despois de comezar a súa actividade na planta de envasado sita en Outeiro de Rei (Terra Chá) as dúbidas pairan arredor das débedas contraídas polo proxecto leiteiro avalado desde a Xunta de Núñez Feijóo: 15 millóns de euros, dos que 9 millóns foron fondos públicos entregados en forma de créditos e avais. Que aconteceu con ese diñeiro? A quen beneficiou a creación de Alimentos Lácteos? Houbo intereses políticos detrás? Que acontece co cento de traballador@s despedid@s? E co diñeiro adebedado ás explotacións gandeiras? Hai responsabilidades políticas na desaparición da empresa? Esas e outras preguntas son ás que exixe resposta a Federación Rural Galega nunha comisión de investigación parlamentar que o PP rexeita constituír. A reportaxe completa sobre este asunto podes achala no número 86 do Sermos Galiza. Xa á venda na nosa loxa e nos quiosques do país.
PRAZA_12601
Os lumes afectaron os LICs de Baixa Limia-Xurés; Macizo Central; Pena Trevinca; Pena Maseira; Ancares-Courel; Canóns do Sil e Pena Veidosa. A asociación denuncia que a Xunta "que agora proclama ter un plan para rexenerar as Fragas (750 hectáreas queimadas), non fixo ren para recuperar as 15.839 de valioso patrimonio natural arrasadas en menos de 6 meses".
A asociación ecoloxista ADEGA denunciou este mércores que dende o outono o lume queimou ao redor de 16 mil hectáreas nos espazos protexidos do interior, en sete Lugares de Importancia Comunitaria (LICs) da Rede Natura sur-oriental: Baixa Limia-Xurés, Macizo Central, Pena Trevinca, Pena Maseira, Ancares-Courel, Canóns do Sil e Pena Veidosa), sen contar as 750 que destruíron a pasada semana nas Fragas do Eume. Para ADEGA, a repercusión social e mediática do incendio das Fragas do Eume eclipsou o enorme impacto que o lume causou neses outros espazos protexidos. A asociación salienta que na vaga de lumes de 2006 a afección á totalidade da Rede Natura galega non chegou ás dúas mil hectáreas A asociación denuncia que a Xunta "que agora proclama ter un plan para rexenerar as Fragas (750 hectáreas queimadas), non fixo ren para recuperar as 15.839 de valioso patrimonio natural arrasadas en menos de 6 meses" e fixo fincapé en que na vaga de lumes de 2006 a afección á totalidade da Rede Natura galega non chegou ás dúas mil hectáreas. ADEGA critica "a falla de atención ao medio rural de montaña, a ausenza dunha politica forestal coerente, de investimentos e de propostas para uns espazos interiores cunhas potencialidades enormes" así como "o esquecemento das obrigas legais de conservación deste patrimonio natural". ADEGA denuncia que o obxectivo é "facer desaparecer das portadas ese mundo rural que para o ex-conselleiro Juárez non ten futuro" Así mesmo, a organización critica que nas comunicacións públicas que a Xunta fai do impacto dos lumes só informa dos que superan as 20 hectáreas e que ademais non fai referencia a que os incendios afectan a zonas de grande importancia natural, limitándose a situar os focos nun concello ou noutro. ADEGA conclúe que "a Xunta está máis preocupada por minimizar a dimensión do problema dos lumes e o seu impacto na nosa biodiversidade, empregando todo tipo de estratexias" e denuncia que o obxectivo é "facer desaparecer das portadas ese mundo rural que para o ex-conselleiro Juárez "non ten futuro", e só aparentar que se fai algo cando o fume chega ás rúas de Ferrol ou A Coruña e xa non se pode agochar". Páxina de ADEGA
NOS_44764
A Comisión Europea confirma a súa inclusión na lista de investimentos sostíbeis.
Tras máis dun ano de deliberacións, a Comisión Europea fixo oficial a esperada e controvertida decisión: o gas e a enerxía nuclear serán considerados como "investimentos verdes" na guía da UE para os novos negocios cumpriren cos obxectivos marcados na loita contra o cambio climático. O principal, chegar a unha pegada de carbono cero (non emitir máis CO2 do que a Terra pode absorber) para o ano 2050. "O que estamos a estabelecer é en que medida o gas e a enerxía nuclear poden contribuír á complicada transición cara á neutralidade climática", afirmou Mairead McGuinness, comisaria de Servizos Financeiros e encargada de comunicar onte a decisión en conferencia de prensa. A "taxonomía de enerxías verdes" da UE non veta os investimentos en actividades non etiquetadas como ecolóxicas, mais si que limita que proxectos poden ser designados como "respectuosos co ambiente" (ou "climate-friendly", no termo orixinal en inglés). Isto é de especial relevancia para os proxectos que poden cubrir os fondos Next Generation. A taxonomía entrará en vigor en 2023 se non é rexeitada polo Parlamento Europeo ou por unha maioría de 20 dos 27 Estados membros da UE. O Executivo comunitario asume que nin o gas nin a nuclear son enerxías neutras a nivel climático, tampouco renovábeis, mais defende o seu papel como "enerxías de transición". Foi o termo usado polo comisario de Comercio, Valdis Dombrovskis, que avogou en Twitter polo paso cara a enerxías mixtas, "baseadas principalmente en renovábeis". "Mais os Estados da UE teñen puntos de partida diferentes. Así que baixo condicións estritas [emisións máximas de 270 gramos de CO2/kWh para plantas de gas, lonxe dos 100 gramos de CO2/kWh propostos polos expertos], o gas e a nuclear pode actuar como ponte", engadiu. Xeopolítica enerxética Tamén na mesma rede social, a comisaria de Xustiza, Věra Jourová, manifestábase nos mesmos termos, engadindo outro matiz importante: a transición garantirá a "independencia" europea da "xeopolítica enerxética". A ex chanceler alemá, Angela Merkel, fixo unha forte aposta polo Nord Stream 2, o gasoduto que transportará gas ruso a territorio alemán polo fondo do mar Báltico ─eludindo territorio ucraíno─. Proxecto que mesmo causou unha forte controversia entre Berlín e Washington, que como Kiev cre que socava a seguridade e independencia enerxética europeas. Un dos vimbios, tamén, do cesto da crise ucraína. A influencia de Berlín na Comisión Europea ─a súa presidenta, Ursula Von der Leyen, é alemá e correlixionaria da demócratacristiá Merkel─, así como a de París ─75% da enerxía que produce Francia, que ostenta a actual presidencia de quenda da UE, é nuclear─ xogaron en favor da decisión de Bruxelas sobre a "taxonomía verde". Para a ONG ambientalista Greenpeace, a decisión da Comisión é unha "tentativa de roubo", "derivando ─sinalou nun comunicado─ miles de millóns de euros das renovábeis para metelos en tecnoloxías que ou ben non fan nada para loitar contra a crise climática, como a nuclear, ou ben son parte activa para empeorar o problema, como o gas natural". Por iso, piden ao Parlamento Europeo que actúe en consecuencia. Só unha minoría de Estados da UE están en contra da decisión No seo da UE existe unha división arredor da "taxonomía verde". Bulgaria, Chequia, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Finlandia, Hungría, Polonia e Romanía uníronse en outubro pasado a Francia para pedir por carta a Bruxelas a inclusión da nuclear entre as enerxías "verdes". O novo Goberno alemán recalcou a súa oposición á nuclear e o apoio decidido ao gas. En países enerxeticamente dependentes do carbón, beneficiaríanse dos incentivos a esta enerxía. Tamén Polonia ou Hungría, con lazos económicos con Rusia, celebraron a decisión de Bruxelas sobre o gas. Un terceiro grupo, entre os que están Dinamarca, España ou Irlanda, manteñen unha firme oposición. Luxemburgo anunciou accións legais, e Austria cualificou a medida de "miope" e "incomprensíbel". O grupo dos Verdes/ALE na Eurocámara lanzou na web unha recollida de sinaturas.
NOS_25259
Estudos apuntan que non todos os arrastres son igual de prexudiciais para o leito mariño, coas dragas hidráulicas como as de maior deterioración
A Xunta de Galiza teme que o veto que a Comisión Europea quere aplicar á pesca de fondo da frota de altura "se queira impor" tamén á frota artesanal "máis adiante". A Consellaría do Mar declara que, aínda que "na actualidade" ás artes menores non lles afecta o veto a aplicar en 94 zonas comunitarias, "non descarta" que tamén acaben afectadas. 'Trasmallos', 'miños, 'raeiras' e 'vetas' son algúns das artes máis empregadas por 875 embarcacións de frota artesanal que leva a cabo pesca de fondo, un 20% do total das artes menores. "O que é un despropósito é que habendo estudos que constatan o escaso impacto nos fondos de artes como o arrastre, e máis no caso do palangre (que o seu contacto é mínimo), queiran prohibir a súa actividade en case un centenar de zonas sen ter en conta o importante impacto económico e social que ten para o conxunto da pesca europea, con centos de buques e milleiros de tripulantes afectados", sinala. A Xunta salienta que a frota de baixura ou artesanal emprega artes que necesariamente teñen contacto co fondo mariño e, por tanto, son susceptíbeis de ser englobadas dentro das denominadas como "artes potencialmente daniñas" do ecosistema mariño, a teor das novas propostas da UE no marco da Estratexia sobre Biodiversidade 2030. A finais de abril, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, entregou un informe en Bruxelas no que avisaba de que as propostas para limitar a pesca de fondo ameaza a un terzo dos empregos da frota artesanal na Galiza. Con anterioridade, a Xunta remitiu estudos nos que se apuntaba a unha "escasa pegada de carbono" que teñen moitas artes de arrastre de menor tamaño. O Parlamento europeo pon cerco á pesca de arrastre Estudos internacionais Paralelamente, a Xunta remítese a diferentes informes internacionais, "que ten a Comisión Europea na súa poder", nos que se recolle que a incidencia do arrastre nos fondos mariños "non é a que apuntan certas lecturas catastrofistas". No seu día, a Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI) xa puxo o foco no estudo de 2017 liderado por Jan Geert Hiddink, da Universidade de Bangor en Reino Unido -titulado Global analisis of depletion and recovery of seabed biota afeter bottom trawling distrubance-, no que figura que o arrastre de fondo con portas (o máis común a nivel mundial) causa o menor dano, "eliminando un 6% da biota durante o seu paso e penetrando no substrato en media 2,4 centímetros". Así, son as dragas hidráulicas as que causan a maior deterioración, "eliminando o 41% da biota e penetrando no leito mariño en media 16,1 centímetros". Para este estudo publicado no seu día na revista PNAs (Proceedings of the National Academy of Sciencies of the United States of America) tivéronse en conta 24 estudos comparativos e 46 estudos experimentais, localizados no noroeste de Europa e o nordés de Estados Unidos. O artigo fai fincapé en que non todos os arrastres son igual de prexudiciais para medio mariño. En función do tipo de arte de pesca, profundidade de penetración e varábeis ambientais como a profundidade da auga e a composición dos sedimentos, requiriuse de 1,9 a 6,4 anos para que a biota dos fondos mariños se recuperase. O sector pesqueiro galego critica que Bruxelas "impoña" o veto a "70% da frota" do Gran Sol Postura da Comisión Europea A Comisión Europea examina se continuar coa adopción dun regulamento para prohibir a pesca de fondo en zonas vulnerábeis, que afectará a 94 áreas de augas comunitarias. "Sei que esta decisión require un gran esforzo do noso sector pesqueiro e gustaríame recoñecer o seu papel esencial na preservación do noso océano e o noso futuro", sinalou a pasada semana o comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkievicius. O regulamento de augas profundas no Atlántico Nororiental foi sometido a votación no Comité de Pesca e Acuicultura nun acto de implementación que se saldou sen a maioría requirida para sacala adiante, xa que España e Irlanda votaron en contra e varios países abstivéronse. Dado o resultado da votación, agora queda en mans da Comisión Europea a decisión de adoptar esta regulación. A proposta que o Executivo comunitario impulsou en 2016 busca pechar as zonas mariñas vulnerábeis ás artes pesqueiras que tocan o fondo do mar, como a pesca de arrastre ou o palangre, xa que afecta a zonas mariñas por baixo de 400 metros. Esta nova regulación suporía vetar 94 áreas en augas de España, Portugal, Francia e Irlanda. Concretamente en España, afectaría á zona do Golfo de Cádiz, aínda que a súa aplicación estenderíase até a zona norte do caladoiro de Gran Sol. Así, a regulación estabelece unha sorte de 'corredor' de pesca, que todos os buques que faenen en augas profundas deberán respectar, xa que protexe áreas virxes. Por tanto, os barcos pesqueiros non poderían operar alí e pescar especies de augas profundas. Segundo o Executivo comunitario, a medida estabelece o peche de 57 hábitats vulnerábeis no Atlántico Nororiental, onde habitan --ou é "probábel" que existan, di-- especies como corais ou anemones con base ás análises realizadas polo Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES polas súas siglas en inglés) e pretende impulsar a xestión sustentábel dos mares e océanos. Respecto diso, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, queixábase esta mesma semana que a Comisión Europea non remitira eses informes científicos nos que se basea para apostar por esta medida. Pola súa banda, nunha visita esta semana a Burela (Lugo), o ministro de Pesca, Luís Planas, avanzou que trasladará o próximo 18 de xullo -con motivo do Consello da UE de Agricultura e Pesca- ao comisario europeo de Pesca, Virginijus Sinkevicius, que se "abandone" a proposta de veto á pesca de fondo en 94 zonas comunitarias ou que, se se segue adiante, se estabelezan "flexibilidades". Todo iso nunha semana na que unha trintena de asociacións pesqueiras da Galiza selaron un manifesto en defensa do sector e contra a prohibición que propón a Comisión Europea á pesca de fondo. 30 asociacións pesqueiras da Galiza fan fronte contra o feche de caladoiros Nun paso máis, a Comisión Europea apuntou nun comunicado que a medida se redactou despois de consultas cos Estados membros e as partes interesadas, como a industria pesqueira e a ONG nos últimos dous anos. "A avaliación de 2021 do Regulamento de Acceso a Augas Profundas mostra que o 90% dos enquisados estaba de acordo con estabelecer un marco normativo para protexer o medio ambiente en augas profundas", argumentaba. O sector pesqueiro europeo, agrupado en Europêche, criticou que esta medida pon en risco o futuro da pesca de fondo no Atlántico e por tanto de máis de 10.000 pescadores e denunciou as lagoas científicas recoñecidas, a falta dunha consulta adecuada, e a falta dunha avaliación do impacto socioeconómico desta medida.
PRAZA_19121
Unha década de mandato de Abel Caballero como Alcalde de Vigo. Dez anos que en materia de política cultural e de cultura urbana nos sitúan no limiar dun preocupante abismo sideral en cuxo interior e ante o abraiante silencio da comunidade artística crítica e profesional crece un buraco negro de importantes dimensións.
Este ano cúmprese unha década de mandato de Abel Caballero como Alcalde de Vigo. Dez anos que en materia de política cultural e de cultura urbana nos sitúan no limiar dun preocupante abismo sideral en cuxo interior e ante o abraiante silencio da comunidade artística crítica e profesional crece un buraco negro de importantes dimensións. Toda canta potencia creativa é liberada na cidade de Vigo, fóra de pequena pero intensiva rede de poder que rodea na área de cultura á Alcaldía, é sistematicamente absorbida pola súa forza centrípeta. Ao igual que o resto do universo, a vida cultural en Vigo componse dunha elevada porcentaxe de materia escura conformada por esas prácticas en arte e investigación que a forza de ver interrompidas as súas normais conexións orzamentarias, técnicas e políticas vense impedidas para transmitir calquera tipo de radiación electromagnética, incluída a luz. É por iso que a claridade e a conexión da información resultan de vital importancia para poder comprender que é o que (non) está a suceder aquí, en Vigo. Dez anos que en materia de política cultural e de cultura urbana nos sitúan no limiar dun preocupante abismo sideral en cuxo interior e ante o abraiante silencio da comunidade artística crítica e profesional crece un buraco negro de importantes dimensións Semella que coa recente noticia da renuncia en diferido do director do MARCO, Iñaki Martínez Antelo, á renovación do seu contrato o próximo mes de novembro, abriuse certo debate en torno ás políticas culturais municipais. Un debate en conexión directa con situacións como as que afrontan o Museo de Belas Artes de Bilbao, o Centro de Cultura Contemporánea de Córdoba ou o propio Museo do Prado en relación cos procesos de contratación pública para a provisión do seus postos de dirección. Custa crer que a estas alturas a esixencia dun concurso público para a selección dun proxecto reitor para os nosos equipamentos culturais siga a ser unha discusión aberta, máxime cando a súa convocatoria obedece ás obrigas e principios legais que rexen o funcionamento da Administración Pública. Pero alén disto e á marxe das manifestacións de apoio incondicional e constante indignación retórica que suscitan renuncias máis ou menos claras nos seus motivos como poden ser a do Director do MARCO, ou a do Director da Fundación Luis Seoane en Coruña, David Barro, trala declaración xudicial de nulidade do despido da súa antecesora, é momento xa de deixar de contribuír á proliferación de determinados modos de facer e dunha vez por todas comezar a compartir de xeito claro e directo toda a información. Custa crer que a estas alturas a esixencia dun concurso público para a selección dun proxecto reitor para os nosos equipamentos culturais siga a ser unha discusión aberta Abonda xa de alimentar no interior dos pequenos círculos do mundo da arte contemporánea os rumores sobre cuestións de obrigada transparencia, relativas a agravios gobernamentais ou clarificadoras da preocupante situación técnica, laboral e orzamentaria das nosas institucións culturais. Basta xa, manter este silencio non é máis que contribuír ao baleirado funcional, orzamentario, profesional, e social do noso común cultural. Non podemos seguir consentindo que o medo ao rexeitamento de futuras colaboracións institucionais ou a enorme precariedade e intermitencia das nosas prácticas perpetúen formas de facer que se ben formalmente en moi contadas ocasións supoñen unha infracción legal, materialmente son, nunha ampla maioría, condutas que incorren na figura xurídica do ílicito administrativo da desviación de poder ou incluso nun enxuiciable fraude de lei. É momento xa de deixar de contribuír á proliferación de determinados modos de facer e dunha vez por todas comezar a compartir de xeito claro e directo toda a información A situación pola que atravesa agora o MARCO non é en absoluto unha novidade, hai tempo que os recortes orzamentarios e a falta de inversión privada impiden o normal funcionamento dos seus servizos. En realidade xa dende os seus inicios o proxecto museístico foi sempre acompañado dunha dubidosa autonomía económica e dunha importante falta de reciprocidade co tecido urbano profesional e cidadá, sen que o Museo chegase a ser quen de ir moito máis alá, a pesar da calidade das súas propostas expositivas, da elaboración dunha ou dúas nóminas xeracionais. A situación pola que atravesa agora o MARCO non é en absoluto unha novidade, hai tempo que os recortes orzamentarios e a falta de inversión privada impiden o normal funcionamento dos seus servizos Os despropósitos veñen acumulados. Dous nomeamentos de dirección por designación directa sen convocatoria pública nin sometemento aos principios de mérito e capacidade, tal e como esixe o redactado do artigo 81.1 da Lei 12/2006 de 1 de decembro de Fundacións de Interese Galego. A dubidosa regularidade do recurso á cesión de traballadorxs e estudantes, mediante convenios marco, para a cobertura dos servizos ao público do Museo. O peche do Anexo, único espazo público adicado á programación de xoves artistas na cidade, para substituílo pola instalo-decoración do artista Michael Lin, reconvertida en Hotel Marco aínda hoxe e a pesar do evidente estado de abandono do seu emprazamento, destinado á explotación hostaleira. O encadeamento continuado da contratación de servizos de formación sen convocatoria pública ou concorrencia de méritos para a dirección e docencia do curso anual de arte contemporánea do Museo. O peche da Tenda do Museo e a súa reconversión nun espazo expositivo de innovación e novo comisariado máis ben pobre, por non dicir tecnicamente inadecuado. Todas estas cuestións aínda que puidesen parecer unha crítica a actual xestión son en realidade decisións que ao meu modo de ver non houbera sido posible non tomar. É dicir, o profundo asolagamento e falta de respecto ao que a Alcaldía somete o criterio artístico profesional e estético en Vigo é tal que a normalidade técnica e teórica na acción, creación e pensamento en arte contemporánea faise tecnicamente imposible. De feito, moitas das manifestacións e proxectos artísticos que logran salvar o fino peneirado institucional acaban, non podía ser doutro xeito, desactivando radicalmente as súas potencias e servindo únicamente de repositorios do que xa foi en arte en Londres, en Madrid, en ARCO en Brasil, en feminismo, en Bélxica, en 1990 ou en Bilbao sen que a produción e transmisión de coñecemento crítico e discurso colectivo chegue nunca a suceder. Este forte control administrativo é posible, entre outras cousas, pola inxente acumulación de poder que o Alcalde de Vigo concentra na súa persoa Este forte control administrativo é posible, entre outras cousas, pola inxente acumulación de poder que o Alcalde de Vigo concentra na súa persoa. Abel Caballero preside a Área Metropolitana de Vigo, a Federación Española de Municipios e Provincias, o Padroado da Fundación MARCO, o Padroado da Fundación Laxeiro, o Padroado da Fundación Vigo en Deporte, o Padroado da Fundación Axencia Intermunicipal de Enerxía de Vigo, é Vicepresidente da Fundación Liste e membro do Consorcio da Zona Franca, da Fundación Provigo e do Consello de Administración da Autoridade Portuaria. Xunto co Alcalde, os concelleiros de fomento e cultura, David Regades e Cayetano Rodríguez, compoñen un curioso triunvirato que concentra numerosos cargos e competencias dentro dunha ampla variedade de organismos representativos. É obvio que a concentración de poder, ademais dunha práctica contraria aos principios do ordenamento xurídico é unha potente marca de estilo na política cultural municipal. Tan só hai que lembrar as declaracións de Abel Caballero durante a rolda de prensa de presentación da programación do MARCO o pasado 2015. O Alcalde, ante a petición dunha xornalista de que o director do Museo referendase as súas declaracións sobre a redución orzamentaria da achega anual da Xunta de Galicia, respondía arrincando literalmente o micrófono e o turno de palabra a Iñaki Martínez: "O Alcalde de Vigo non necesita que ningúen refrende as súas palabras. As palabras do Alcalde refrendaas a cidade mediante o voto". Esas son as maneiras ás que o Alcalde nos ten acostumadas. De aí a súa contundencia á hora de afirmar en entrevista do pasado 28 de decembro a Onda Cero, que "Non ten por que haber un Concurso Público. Ademáis imos cambiar o proxecto, imos facer un proxecto distinto ao Museo MARCO". Pero, a quen corresponde esa decisión? Na cidade de Vigo non existe (...) canle de acceso á participación na vida cultural municipal que non sexa a recomendación persoal doutra artista ou xestora coa que o Concello xa traballara Na cidade de Vigo non existe plan reitor público algún en materia de política cultural. Tampouco existe canle de acceso á participación na vida cultural municipal que non sexa a recomendación persoal doutra artista ou xestora coa que o Concello xa traballara, norma interna da Concellería de Cultura. O acceso á vida cultural municipal, é dicir, á participación na distribución de recursos e nos espazos de visiblidade e representación é un dereito humano fundamental garantido, ademais de pola protección xudicial dos Tribunais, en concreto do TEDH (Tribunal Europeo de Dereitos Humanos), pola Carta de Dereitos Fundamentais da UE e o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais da ONU (PIDESC). Pois ben este dereito, en Vigo, é sistematicamente vulnerado pola Administración Pública. Unha interesante vía para a imaxinación política e o activismo cultural ábrese no campo do Dereito Administrativo. Co gaio de facer dese campo, o campo da festa, levamos meses desbrozando. Quen rende contas do baleirado de funcións da recentemente inaugurada Pinacoteca de Vigo ou do aínda por inaugurar Centro Fotográfico de Vigo? Volvendo á pregunta que deixábamos no aire; Quen decide que en Vigo? Cales son os criterios técnicos mediante os que Ignacio Oliveira López, Xefe de Museos Municipais, decide o que se programa e que non se programa na Casa das Artes? É a súa competencia a dirección artística dos espazos Museísitcos da cidade? É a súa formación técnica adecuada e actualizada conforme as boas prácticas profesionais para o cumprimento das súas funcións? Quen rende contas do baleirado de funcións da recentemente inaugurada Pinacoteca de Vigo ou do aínda por inaugurar Centro Fotográfico de Vigo? Como é posible que se fagan exposicións de arte nunha sala fantasma –xa que tecnicamente é o hall do despacho do Alcalde–, chamada Alcaldía? Por que no ano 2016 é comisario de todas as exposicións que se fan nesa sala, baixo o título xenérico de Mostrarte, o artista Mingos Teixeira? Por que eses seis comisariados contrátanse mediante seis contratos menores de servizos sucesivos sen xustificación? Como é posible que sendo Mingos Teixeira Secretario de Cultura do PSOE en Vigo sexa contratado sistematicamente como comisario da Sala Alcaldía? Non supón falta de obxectividade que entre finais do 2015 e este mesmo ano el mesmo expoña na Casa das Artes a súa obra persoal? Que a filla de Mingos Teixeira, Susana Teixeira, sea adxudicataria no 2016 dun contrato directo de servizos para prover ao Concello de Serigrafías como agasallo institucional por importe de 17.659,47 € e o seu irmán Juan Teixeira sexa o adxudicatario do contrato menor de servizos pola coordinación do proxecto artístico Urbanizarte por importe de 13.994,25 €, non son feitos que deberíamos analizar? As preguntas son moitas e a información está a disposición da cidadanía no portal de transparencia do Concello, algunhas desas preguntas son realmente preocupantes Podemos seguir, as preguntas son moitas e a información está a disposición da cidadanía no portal de transparencia do Concello, algunhas desas preguntas son realmente preocupantes: Como é posible que o socio único e administrador da empresa Organización de ideas de éxito, S.L. coa que a empresa adxudicataria da xestión do Auditorio do Mar de Vigo ten contratada en réxime de exclusividade a programación cultural, Jesús Ignacio Teixeira Rodríguez, teña os mesmos apelidos que o Secretario de Cultura e comisario da sala Alcaldía? Aínda máis, Por que o Concello ten asinado un convenio polo que aporta unha subvención directa xustificada no excepcional interese público das actividades programadas, por importe de 500.000€ anuais se a empresa adxudicataria do Auditorio está inmersa nun proceso de concurso de acreedores por unha débeda de a lo menos 2 millóns de euros anuais? De verdade imos permitir que a progresiva Disneyficación da cidade acabe por desprazar o foco crítico das cuestións fundamentais? Por se todo isto non fose suficiente e aínda sabendo que non é máis que o principio, estes días publicábase o resumo das achegas realizadas dende o Concello aos medios de comunicación empresariais, supostamente independentes. Cantidades que no caso do Faro de Vigo ascenden a algo máis de 243.000€ repartidos en contratos menores sen necesidade de xustificación previstos para gastos non superiores a 18.000€ cuxo encadeamento dista moito da legalidade contractual prevista para o Sector Público. Estes días publicábase o resumo das achegas realizadas dende o Concello aos medios de comunicación empresariais, supostamente independentes A estas alturas o estilo de redacción, tédesme que perdoar, vólvese ingobernable. É o que ten introducirse no delirio urbano de Abel Caballero, o texto que o atenda será inevitablemente igualmente delirado; conto coa vosa comprensión, eu persoalmente estou bastante asustada. A desbrozadora precaria coa que traballamos xa non da para máis nesta primeira incursión. O buraco negro está comezando a absorber toda a enerxía liberada e aínda non pensamos o peor. A Área Metropolitana de Vigo está por vir e con ela o seu plan de inversión e as súas UTEs de empresas de xestión cultural. E as bases do concursos públicos por redactar. Quen vai garantir a súa legalidade, obxectividade e transparencia? Que ferramentas velarán polo noso dereito constitucional á participación directa nos asuntos públicos de ámbito local? A Área Metropolitana de Vigo está por vir e con ela o seu plan de inversión e as súas UTEs de empresas de xestión cultural. E as bases do concursos públicos por redactar. Quen vai garantir a súa legalidade, obxectividade e transparencia? E no medio de toda esta triste situación chega a Vigo a exposición Terracota Warriors. The army of the first emperor of China, organizada polo Faro de Vigo en colaboración co Concello de Vigo. Unha colección de copias homologadas" das estatuas de terracota dos guerreiros de Xi'an coas que o primeiro emperador chinés da Dinastía Qin foi enterrado no convencemento da eternidade do seu mando. Con esta exposición inaugúrase o novo espazo cedido pola Autoridade Portuaria de Vigo, en convenio co Concello, para as novas dependencias da Garda Civil, El Tinglado. E eu non podo deixar de pensar que, como dicía Marguerite Durás, a realidade escríbese a si mesma: Vigo, ese Tinglado portuario no que o primeiro emperador vigués da Dinastía Dino, ao mando das súas tropas de axentes da orde cultural, aplastando mareas cidadás e invadindo prazas, cabalgatas, reunións de padroados e museos partirá cara o máis alá co milleiro de estaturas de terracota nas que a forza de obedecer, axentes culturais e intelectuais remataron por se converter. Nós, en previsión de futuras transformacións, non imos deixar de non parar quietas. Tayone: Abel veu do futuro e trouxo consigo o seu poder humanizador (2015)
NOS_55800
O presidente da Xunta reuniuse durante 3 horas con representantes das explotacións gandeiras e dos sindicatos agrarios que continúan a exixir acordos "por escrito" e prezos dignos do leite en orixe. Os gandeiros intensifican os protestos.
Após un encontro que comezou por volta das 12:15 horas e que se prolongou até pasadas as tres da tarde, o xefe do executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou @s representantes das organizacións agrarias e representantes d@s gandeir@s a vontade do goberno por "facer todo o que legalmente poida" para rematar coa crise que atinxe o sector lácteo. Porén, Feijóo non falaba de si propio e do seu goberno, senón do "compromiso" que, dixo, lle trasladou a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, quen se reunirá mañá (10 de setembro) con representantes de todos os elos da cadea de valor do leite --produtores, industria e distribución. Un encontro ao que Tejerina, explicou Feijóo na xuntanza, chega con "optimismo". Desta maneira o líder do executivo galego descargou a responsabilidade en Madrid e non adquiriu compromiso ningún coa produción láctea para alén de lles transmitir --como xa fixo onte-- a solidariedade do goberno galego coas demandas d@s gandeir@s. Neste senso, malia contar con competencias exclusivas en materia de mercado interior e consumo --entre outras-- nen Alberto Núñez Feijóo nen a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, se comprometeron a nada. Fruga e SLG criticaron a "indefinición", "xeralidades" e "poucos feitos" dos gobernos perante a crise do sector Á saída do encontro a Fruga e o Sindicato Labrego Galego amosaron a súa preocupación pola "indefinición", as "xeralidades" e os "poucos feitos" por parte dos executivos español e galego. Así, Isabel Vilalba criticou que non exista "rascuño" das conversas que se están a manter. "Todo ten que ser fiarnos", asegurou. De igual maneira, Antón Ledo (Fruga) exixiu "resultados inmediatos" pois, dixo, @s gandeir@s "están fartos de palabras". Pola súa banda, Roberto García (Unións Agrarias) demandou un acordo por escrito para a entrada en vigor de prezos sostíbeis en orixe así como dunha garantía legal que exixa o seu compromiso por parte das industrias e distribuidoras. Máis optimista se amosou o representante de ASAJA quen chegou a afirmar en declaracións á imprensa recollidas por Europa Press que "un mal acordo" esta quinta feira "é mellor que ningún acordo". Tamén un representante da asemblea de Lugo, Roberto García, participou na xuntanza coa Xunta. Rodríguez reclamou un acordo "por escrito" porque "as palabras lévaas o vento". Esta tarde @s gandeir@s reuniranse en asemblea máis unha vez para avaliar a xuntanza e dar continuidade ás mobilizacións, a comezar pola manifestación desta quinta feira ás 12h en Compostela que se reproducirá tamén en Lugo por volta das 11.30h. Bloqueo Os gandeiros decidiron nunha asemblea crealizada na Alameda de Compostela na tarde desta cuarta feira enviar tractores a Área Central para bloquear a entrada ao supermercado Alcampo, ao igual que están a facer noutras superficies comerciais no marco da tractorada que manteñen desde a segunda feira en Santiago.
NOS_53516
Un operario de 26 anos tivo que ser trasladado ao Hospital Universitario de Ourense tras sufrir unha descarga eléctrica. Sindicatos denunciaron en reiteradas ocasións a alta sinistralidade nas obras desta infraestrutura na Galiza.
Un traballador das obras da AVE foi trasladado na madrugada desta terza feira após sufrir unha descarga eléctrica no concello de Laza, comarca de Verín. Segundo informou o 112 Galiza, sobre as 4,00 horas o servizo de emerxencias recibiu a chamada de varios particulares para solicitar asistencia médica para un compañeiro que acababa de electrocutarse cun transformador nas obras da liña ferroviaria de alta velocidade. Durante as chamadas, as persoas confirmáronlle aos operadores do CIAE-112 que se atopaban no lugar de Albergueira (Vilar de Barrio), no interior do túnel de Prado e que o traballador, S.G.S, de 26 anos, estaba consciente. Un lugar onde ao longo destes anos xa aconteceron outros sinistros. Así, en febreiro de 2018 o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Verín decidía incoar dilixencias previas para a investigación dos accidentes de traballo, algúns deles mortais, ocorridos nas obras do AVE na provincia de Ourense. Unha decisión adoptada en base á denuncia presentada pola CIG de Verín e A Limia. Desde a central consideraban que a "concentración de accidentes" laborais rexistrados especialmente no tramo que comprende A Gudiña e Vilar de Barrio, é "de tal magnitude que revela, non só un deficiente funcionamento dos servizos públicos, senón un desleixo absoluto" tanto no cumprimento das normas de seguridade laboral por parte das empresas adxudicatarias como por parte das administracións públicas. "Escravitude laboral" Mais a sinistralidade laboral non é a única denuncia grave en torno á obras do AVE. A principios do ano pasado, e tamén a través do sindicato nacionalista, denunciábase "escravitude laboral" nas obras do AVE en Ourense. O sindicato facía daquela público un informe, extracto doutro máis amplo presentado á Inspección, no que se conclúe que os operarios veñen desenvolvendo "unha media de 4,56 horas extras ilegais ao día, é dicir, 12 horas e media seguidas de traballo, mais tamén hai operarios que chegaron ás 21 horas, duplicando e case triplicando a xornada legal, sendo a excepción os que cumpriron algún día coas 8 horas fixadas no convenio".
NOS_40556
Até a Praza do Obradoiro, no centro de Galiza, chegou o estrume. BNG e FRUGA levaron ao corazón histórico de Compostela a protesta contra a multa a un gandeiro por suxar as vía pública coa bosta das súas vacas.
Cando dentro do Pazo de Raxoi se celebraba o Pleno municipal, as vacas e o estrume arriscábanse á posibilidade dunha nova multa atravesando o centro da cidade para se asentaren en plena Praza do Obradoiro. As vacas eran homes e mulleres disfrazad@s que participaban na concentración convocada polo BNG e FRUGA para esixiren a retirada da multa de 500 euros ao gandeiro da aldea de Reboredo, na parroquia de Enfesta, acusado de que as súas vacas deitaran bosta nunha vía de concentración parcelar. "A bosta nas pistas non é delito!" e "Vacas si, multas non!", foron algúns dos lemas que se sentiron na concentración na que, sobre a pedra protexida por plásticos, botouse estrume como símbolo do dereito a producir no rural dun concello como Compostela. Ao gandeiro se lle impuxo unha sanción de 750€ que, despois de alegacións, quedou nos 500€ que, para BNG e FRUGA, continúa a ser unha multa inxusta contra un feito que, ao seu ver, non é delito. O alcalde da cidade, Agustín Hernández foi recibido cando entraba no Pazo de Raxoi para asistir ao pleno con berros de "a sanción non é solución; o alcalde que cague no balde". A convivencia e as vacas A sanción ao gandeiro Jorge Piñeiro foi imposta pola Xunta de Goberno do Concello de Santiago despois de que un dos seus veciños denunciara que as súas vacas verteran bosta por unha vía pública que atravesaba de camiño ao prado. O goberno municipal considerou o caso como "infracción leve", botando man da ordenanza municipal de convivencia, residuos e limpeza viaria. A resolución do goberno municipal adxuntaba "informes emitidos pola Policía nas inspeccións realizadas a requerimento veciñal". Recolle tamén o texto que os animais do gandeiro lixaban a vía "cos seus excrementos" co que ocasionaban "molestias aos veciños". Remitíndose á ordenanza de convivencia, impoñen a multa consonte ao artigo 66.1 que di queu "ensuxar a vía pública como consecuencia da tenza de animais" constitúe unha "conduta prohibida". O goberno municipal recoñecía, no entanto, que o camiño é de uso gandeiro. Jorge Piñeiro alegou, entre outras razóns, que a ordenanza pola que foi sancionado "vén referida a animais domésticos e non a animais destinados á produción de carne ou leite".
NOS_18653
A Real Academia Galega de Belas Artes decidiu que Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979) protagonizase o quinto Día das Artes Galegas. Intelectual inconmensurábel e polifacético, exiliado, militante da esquerda e o nacionalismo, poeta e facedor de libros, deseñador e debuxante, a súa pintura situouno entre os máis avanzados artistas galegos do século e nun imbatíbel renovador da materia. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 340 de Sermos Galiza.
Do pescozo da muller colga un cartaz escrito a man. En terceira persoa. "Ela chámase Manuela Rodríguez. É analfabeta. Axúdena. Xenebra, 1963". Luís Seoane sentara ao seu carón nun tren en Francia. Pintouna ao óleo no ano 1967. Emigrante, un cadro dun metro por 81 centímetros, é emocionante, político, unha das moitas pezas mestras dun pintor que non entendía a vangarda formal sen a vangarda política. É, ademais, unha das 43 pinturas -amais de debuxos e outros materiais- que acolle a colección do Museo de Belas Artes da Coruña, doadas pola viúva da artista, Maruxa Seoane, e protagoniza a capa deste número 340 de Sermos Galiza. A institución coruñesa é unha das paraxes obrigadas nun hipotético mapa do tesouro Seoane na Galiza. Que ten o seu epicentro na mesma cidade, na fundación a nome do artista. Douscentos trinta e seis óleos, máis de 1.500 debuxos, un milleiro de gravados, deseños para carteis ou pasquíns e o seu inxente arquivo documental conforman os fondos. "Era un artista moi prolífico", explica a Sermos Galiza a conservadora do centro, Carmela Montero, "pintaba, gravaba, deseñaba, escribía... Estaba todo o día traballando, aínda que Maruxa dicía que polas tardes paseaban e ían ao cinema. Pero para el iso tamén era traballar!". Igual que unha viaxe nun comboio europeo inspiraba, anos despois, un óleo, ou o seu deambular urbano -Seoane flâneur- os fermosísimos Retratos furtivos, calquera elemento informaba o seu voraz apetito creativo. Tan voraz que a súa obra, espallada sobre todo por dous continentes -América do Sur e Europa- dista de estar censada. Relutante a dar a cifra exacta, Montero apenas comunica unha provisional, a que manexa despois de "anos a contar": "Arredor duns 800 óleos". Non é o depósito de maior entidade, pero si un de especial importancia simbólica. O Museo Carlos Maside, organismo fundamental do entramado Sargadelos e con sede no Castro (Sada), atópase hoxe nun limbo. Xosé Díaz, deseñador e fillo de Isaac Díaz Pardo, relata a este semanario que Seoane descansa no Castro: "Hai fundamentalmente obra de dous tipos, a bocetística, con deseños para as xerras cerámicas de Sargadelos, ou para murais e a piscina; e óleos da súa última etapa, algúns pintados alí mesmo". A partir de 1963, Luís Seoane "inicia o seu regreso" a Galiza. Díaz Pardo era o anfitrión habitual e na residencia do Castro de Samoedo Seoane continuaba ampliando a súa proteica obra, figurativa, moderna e arraizada. O meco, Mirando a ría, Campesiño a cabalo, O sol, Homenaxe a Grimau, El jinete e Nada os perturba fan parte da obra abeirada no Maside. [Podes ler a reportaxe íntegra no número 340 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
NOS_1897
Estamos no prezo máximo acadado desde decembro de 2013. Aliás, a bomba de butano subiu un 5%.
A vaga de frío esténdese por gran parte da Península ibérica, co lóxico aumento da demanda dos recursos necesarios para quentar vivendas e edificios. Neste primeiros 18 días do ano os prezos de electricidade son por volta dun 11% máis caro que nos mesmos días do ano pasado, 2016. Andan nos 78,8 euros por megawatio hora, marcando o máximo acadado desde decembro de 2013. Os expertos apontan á caída da enerxía producida por renovábeis e alternativas que sufrimos (e das que a comezos de 2016 había exceso de produción). A escaseza de chuvias, a falla de vento... impide bos comportamentos nas enerxías producidas en base a estes elementos, e obriga a tirar da producida en base a gas e carbón. Aliás, e para completar a imaxe, hai que engadir o encarecemento do petróleo e o paro das nucleares francesas. E todo isto adobado co aumento da demanda. A isto engádese que esta semana a bombona de butano tivo un incremento do 5%, situándose nos 12,89 euros. Acumula así o butano tres revisións bimestrais á alza e custa un 14,5% máis que o prezo fixado polo goberno en xullo de 2016.
PRAZA_15699
Ás veces, a superación do eixo dereita-esquerda dáse mediante un proxecto común aglutinador.
O pacto entre a candidatura de unidade Junts pel Sí e a Candidatura d'Unitat Popular (CUP) malia estar sempre por derriba da mesa se a negociación frutificaba, colleu a moita xente, especialmente fóra de Catalunya, por sorpresa. Chama a atención como se desilusionou certa esquerda, incluso aquela que ultimamente enche a boca con conceptos como dereito a decidir (incluso dereito de autodeterminación) e Estado plurinacional. A dereita anticatalanista xa se desilusionara da CUP cando o 27 de setembro o seu portavoz e cabeza de lista (e hoxe ex deputado), Antonio Baños, afirmara en Atresmedia: "Que ninguén celebre nada en Madrid. Nós somos independentistas. Connosco, o independentismo suma a maioría absoluta sobrada no Parlament". Un dos mitos nos que se basea esa desilusión era a percepción de que no proceso independentista catalán se crearan dúas frontes inconciliables baixo a tensión do clásico eixo dereita-esquerda. Pensaban moitos analistas e políticos que o independentismo catalán estaba sometido ás contradicións habituais en calquera sociedade democrática moderna europea e que as diferenzas sobre o sistema socioeconómico serían decisivas ante a oportunidade de ben formar goberno ou ben provocar a repetición dos comicios parlamentarios. Esta análise non se sostiña aplicando como método de coñecemento o ensino da historia. Ningún país alcanzou madurez suficiente para procesos de emancipación, ben fose en invasións conxunturais ou "unitarismos" estruturais sen primeiro superar o eixo dereita-esquerda e mobilizar a sociedade no eixo centro-periferia ou invadidos-invasores. Velaí casos recentes coma os da China, onde comunistas e "nacionalistas" se uniron contra o inimigo común e invasor xaponés, ou a resistencia francesa que malia todos os desencontros mantivo leais entre si os gaullistas e os comunistas. Ás veces, esa superación do eixo dereita-esquerda dáse mediante un proxecto común aglutinador. Foi o caso de Escocia, onde o sistema maioritario obrigou a unha unión electoral baixo o Partido Nacionalista Escocés, que asumiu un compromiso interclasista e de amplo espectro baixo principios socialdemócratas clásicos, iso que se coñece como Estado do Benestar. Os chanzos cara á independencia democrática e pacífica En Catalunya, o procedemento de unificación foi instrumental e, polo que vemos, deuse en dúas fases. Nunha primeira, dous polos constrúen a unidade social. Persoas sen adscrición política activa, Convergéncia, ERC e organizacións cívicas como a Assemblea Nacional Catalana ou Òmnium Cultural callan en Junts pel Sí, unha candidatura con estratexia ríxida e pensada para superar o veto español ao referendo pola autodeterminación. O outro polo é o da CUP, movemento asembleario, urbano e construído durante moitos anos con diferentes actores: ecoloxismo, feminismo, anarquismo, comunismo, movemento okupa..., baixo un enfoque de "revolución da rúa" e un ideoloxema anticapitalista que se matiza continuamente grazas á constante renovación das súas directivas e ao seu pouco apego polo xogo electoral. A segunda fase prodúcese agora. O pacto de 18 meses para "desconectar" a Catalunya de España tivo, como dixo o ex presidente da Generalitat Artur Mas, consecuencias para ambas as partes, como ocorre en calquera acordo entre diferentes, como xa ocorrera cando fraguara Junts pel Sí. Ambos polos aparcan as contradicións do eixo dereita-esquerda para conseguir as forzas necesarias no tirapuxa no eixo centro-periferia. Mais a soberanía plena non oculta outros eixos amais do da esquerda-dereita. Pensemos na ideoloxía de Podemos sobre un Estado independente como é España. Os seus fundadores repiten acotío que esa tensión era inútil para conseguir votos e propoñen novos eixos, novas contradicións sociais (indecencia-decencia de Monedero, cidadanía-casta, de Errejón…). Aínda que na práctica os seus formulamentos políticos son de esquerda e gobernan sempre grazas a pactos co PSOE, Podemos considera que cómpre a renovación do pacto social (constitucional), un patriotismo novo que pasa por considerar estratéxicos os servizos públicos, a defensa da cidadanía (consumidores) fronte aos abusos e incluso estimula unha nova tensión periferia-centro en base á política europea, afastada e desinteresada da realidade do sur da UE. Para que o nacionalismo en Galicia? En Galicia, como nación sen Estado que carece de todos os dereitos colectivos que os nacionalistas pensamos que nos corresponden, tamén se dan esas contradicións co centro. O status legal da lingua galega, inferior ao do castelán; a extracción do aforro galego na Operación Novacaixagalicia, que supuxo na práctica a perda da escasa autonomía bancaria que se fora construíndo (con moitos erros e abusos) desde o 1981; o veto a operacións empresariais para recuperar (ou simplemente non perder) o control estratéxico de sectores como a electricidade ou as telecomunicacións; o deseño de leis que non teñen en conta a nosa pirámide demográfica ou o espallamento poboacional; as normativas sobre industrialización, pesca ou agricultura… A listaxe é ampla. Todos os sectores conscientes padecen esta tensión; os inconscientes tamén a padecen pero non saben atribuíla ao eixo centro-periferia e incluso hai quen pensa que dá igual que a Fenosa sexa galega ou non, que iso é problema dos seus accionistas. No caso galego, a nosa estrutura social histórica impediu que xurdise con forza unha burguesía industrial galeguista do estilo das catalá e vasca. Pero na identidade do nacionalismo contemporáneo, o interclasismo e a denuncia dos abusos do centralismo foron sinais inequívocos. Malia algúns autoenganos, a ruptura da unidade do BNG non se produciu por factores ideolóxicos nin neste eixo nin no de dereita-esquerda; nin sequera entre reintegracionistas-illacionistas; nin sequera entre solidarios cos presos independentistas; nin sequera entre partidarios e contrarios a colocar a estrela vermella sobre a banda azul da nosa bandeira. A ruptura estivo provocada por un desencontro sobre estratexia política e electoral para conseguir e manter o poder. Martiño Noriega non mudou o seu programa gobernativo cando pasou de militar no Bloque a coliderar Anova. Mais no futuro, cando se teña que escoller entre a vía de propor que se poida votar por un Estado plurinacional para votar non, como subliñou o analista político Antón Losada o 9 de xaneiro, ou reclamar os dereitos colectivos da periferia fronte ao Estado central, veremos en que eixo se move cadaquén. Recordo cando hai anos unha amiga me quixo aprender a bailar salsa. Eu confundía os pasos e facía todo ao revés. Farta de min, deume por imposible. "Os pasos que a ti che nacen non son de escola de salsa senón de muiñeira".
PRAZA_8708
Celebrará en Vigo a manifestación central do 1º de maio e alerta de que "Galiza non está mellor que o resto do Estado". Cre que a esquerda debe seguir "acumulando forzas" para acadar un cambio de política en Compostela e en Madrid.
"Partido Popular–Unión Europea: menos dereitos, máis pobreza" é o lema escollido pola CIG para este 1º maio no que volverá convocar manifestacións en todas as cidades galega e Vigo será a marcha central. A central nacionalista quere con esta mensaxe sinalar os culpables da actual situación de crise e desemprego e chamar a atención sobre o feito de que si hai alternativas, pero que os gobernos do PP no Estado e en Galicia se negan a aplicar. Como alternativas propuxo un novo sistema fiscal; o incremento do investimento público en servizos e infraestruturas; a creación dunha banca pública e de empresas públicas en sectores estratéxicos como enerxía, telecomunicacións e vivenda; o apoio ao tecido produtivo fronte ao capital especulativo; combater a débeda pública adoptando o BCE outro papel e mellorar os salarios. "A saída da crise hai que conquistala. Hai que tirar abaixo este goberno, forzar a súa dimisión, e levar ao poder en Galicia e no Estado a forzas que sexan sensibles aos intereses da clase traballadora" "O goberno están en mans da banca e do capital financeiro, sobre todo dos bancos alemáns", repetiu Suso Seixo este luns e denunciou que "a UE e o goberno español, o Partido Popular, seguen a insistir nas mesmas políticas desde o inicio da crise. Medidas todas elas dirixidas contra a clase traballadora e os sectores máis desfavorecidos da sociedade, que demostran o carácter elitista e burgués do Partido Popular". Por ese motivo o secretario xeral da CIG fixo un chamamento a superar o "pesimismo" ao que convida esta situacion e a "acumular forzas" na esquerda para acadar "unha mobilización maior". Para Suso Seixo "a saída da crise hai que conquistala. Hai que tirar abaixo este goberno, forzar a súa dimisión, e levar ao poder en Galicia e no Estado a forzas que sexan sensibles aos intereses da clase traballadora". Suso Seixo tamén sinalou que "Galiza non está mellor que o resto do Estado", en referencia ao meirande incremento da taxa de paro en Galicia nos últimos anos e á destrución de tecido produtivo en case todos os sectores básicos da economía galega. Seixo denunciou a incerteza que sofre o sector naval ante os inexistentes encargos de Pemex ou do dique flotante, e tamén a situación do agro, da pesca ou do téxtil. A CIG avoga ademais pola convocatoria dunha folga xeral nos vindeiros meses: "se de nós dependese xa a convocaríamos para finais de maio pero parece que as outras centrais non están polo labor" A CIG avoga ademais pola convocatoria dunha folga xeral nos vindeiros meses: "se de nós dependese xa a convocaríamos para finais de maio pero parece que as outras centrais non están polo labor". Seixo sinalou asemade que "temos que deixar de facer folgas só cando nos veñen de recortar un dereito" Manifestacións convocadas A Coruña: ás 12:00 horas dende a Praza de Vigo A Estrada: dende a Praza do Concello ás 12.00 horas A Mariña: ás 12:00 horas dende o local da CIG (Avda. Arcadio. Pardiñas, 137) Ferrol: ás 12:00 horas desde a Avda de Esteiro Lugo: ás 12:00 na Ronda da Muralla (a altura do Edificio Sindical) Ourense: dende o Pavillón dos Remedios ás 12.00 horas. Pontevedra: dende a Praza da Ferrería ás 12.00 horas. Ribeira: 12:00 horas, da Praza do Peixe. Santiago: 12:30 horas na Praza Roxa. Vigo: dende o cruce da Doblada con Urzaiz ás 11.30 horas. Vilagarcía: dende a Casa do Mar ás 11.00 horas
QUEPASA_913
Este venres haberá cortes na estrada á Fervenza para reforzar a seguridade nos actos. [Última hora]: a actuación de TrasPediante, Up2down, prevista para o venres ás 12:30 h no Ézaro, cambia de ubicación e horario: será nas instalacións deportivas do Conco - Dumbría, ás 12:15 h.
Maxia, danza, música, acrobacias, obradoiros… Haberá de todo estes venres 30, sábado 31 e domingo 1 de agosto no Ézaro. Tanto a zona dos pantaláns como o paseo marítimo encheranse de actividades culturais para toda a familia. O Mago Paco, Garabatos de Xogos, ou Truque Matruque serán algúns dos grupos que actuarán na vila dumbriesa. Cortes na estrada Fervenza do Ézaro Para reforzar a seguridade, o Concello decide realizar un corte na circulación de vehículos o venres 30 de xullo, de 19 a 22 h, na estrada de acceso á Fervenza do Ézaro.
NOS_9714
A Xunta encadrou nunha decisión "comercial" dos organizadores do Foro La Toja que empregasen o topónimo deturpado da illa da Toxa, no Grove, para bautizar o evento que a finais de setembro reuniu distintas personalidades da política e a economía, incluídos o propio presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, o rei Felipe VI e o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez.
Cuestionado durante a Comisión 4ª do Parlamento galego decorrida esta sexta feira pola deputada do BNG Montse Prado, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asegurou que a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade enviou unha carta aos organizadores do foro, promovido polo grupo hostaleiro Hotusa. Na misiva, dixo Valentín García, lembráronlles que o topónimo oficial da illa arousá é A Toxa e non La Toja como figura na denominación do evento. "Gustaríanos que tivese outro nome, e así llo trasladamos", apuntou García, que incidiu en que o nome do foro é "unha marca comercial" elixida pola empresa promotora, "que decidiu chamarlle así como puido chamarlle 'Mar dentro' ou 'Confín dos verdes castros'". O responsábel de Política Lingüística desligou a Administración galega da organzización do evento e, por tanto, do uso do topónimo deturpado. Nesta liña, xustificou que "o apoio" da Xunta ao evento se limita á "presenza" do presidente e doutros membros do Goberno. García engadiu que o emprego de topónimos deturpados tamén existe noutros ámbitos, como en entidades deportivas, "algunha da máxima relevancia" [en alusión, sen expresalo explicitamente, ao Deportivo da Coruña], ademais de permanecer entre a sociedade á hora de referirse a lugares, como, por exemplo, ocorre na cidade de Santiago "ao falar da Porta Fajera ou de Conjo". Fundación de interese galego malia a deturpación do topónimo Cuestionado polo grupo nacionalista sobre a declaración como fundación de interese galego a entidade que organiza o foro, o responsábel do Executivo autonómico resaltou que o uso dun topónimo deturpado non é motivo para "negar" a súa inscrición no rexistro de fundacións galego. O uso do topónimo deturpado para nomear o citado foro -organizado por unha empresa que vén de recibir un rescate millonario por parte do Executivo español- motivou numerosas queixas, entre elas a da Mesa pola Normalización Lingüística, que denunciou o trato recibido pola Garda Civil, que chegou a empurrar o presidente da entidade, Marcos Maceira, e a deputada nacionalista Montse Prado. Por outra banda, tal e como puxera de manifesto Nós Diario, a Xunta da Galiza insire campañas publicitarias en medios de comunicación que deturpan os topónimos. A intervención de Valentín García chega apenas dous días despois de coñecerse o proxecto de orzamentos da Xunta da Galiza para 2022, que volve meter a tesoira na partida de normalización lingüística.
PRAZA_12807
Titularase Mar Maior-Editorial Galaxia e concíbese como a "editorial dos galegos no mundo", unha plataforma de difusión da cultura galega que, segundo as programacións iniciais, empezará a andar en Bos Aires no ano 2013. Así o anunciou o director de Galaxia, Víctor F. Freixanes, na mesa de debate Tendencias dentro da Feira Profesional do Libro, una das ponenciais inaugurais, á que por primeira vez foi invitado oficialmente un editor galego. Unha información de Cadernos de Comunicación e Análise.
Titularase Mar Maior-Editorial Galaxia e concíbese como a "editorial dos galegos no mundo", unha plataforma de difusión da cultura galega que, segundo as programacións iniciais, empezará a andar en Bos Aires no ano 2013. Así o anunciou o director de Galaxia, Víctor F. Freixanes, na mesa de debate Tendencias dentro da Feira Profesional do Libro, una das ponenciais inaugurais, á que por primeira vez foi invitado oficialmente un editor galego. A Fundacion El Libro, que dirixe Gabriela Amado, programou un debate entre librerías, editoriais e distribuidoras para a análise da situación do sector nos países de América Latina, enfrontados ás novas tecnoloxías e novos procesos de producion e consumo cultural. En sesión de mañá e tarde, participaron Javier López, por Randen House; Roberto Chwat por Sigmar; Lucía Riff pola Agencia Riff de Brasil; Ricardo Neulman, polo Fondo de Cultura de México; Karina Fraccorolli por Comunicarte-Arxentina; Pablo Braun por Eterna Cadencia; Cristina Mosca por Bookshop en Uruguay e Víctor F. Freixanes pola Editorial Galaxia. O director de Galaxia expuso dous proxectos para o crecemento, "única maneira de afrontar a crise": a Plataforma Dixital da Cultura Galega, no que se está a traballar xunto coa Universidade de Santiago e o departamento de informática da Universidade da Coruña, e o proxecto Mar Maior Tratábase de presentar alternativas á crise do sector e as mudanzas que se están a producir no ámbito mundial do libro. O director de Galaxia expuso dous proxectos para o crecemento, "única maneira de afrontar a crise": a Plataforma Dixital da Cultura Galega, no que se está a traballar xunto coa Universidade de Santiago e o departamento de informática da Universidade da Coruña, e o proxecto Mar Maior, unha plataforma de edición da cultura galega a través das redes sociais de galegos no mundo. "Durante máis de dúas décadas, en plena ditadura franquista, Bos Aires foi a capital da cultura galega. Por iso queremos empezar por Bos Aires, cun libro-álbum de gran formato, que se titulará Os galegos e a Arxentina, editado en galego e en castelán, e do que son autores María Rosa Lojo e Ruy Farías. Será o buque insignia dun plan editorial que queremos austero, pero intenso, apoiado na excelencia", dixo.
NOS_41770
Nome esencial do teatro, o cine e a televisión galega, Xosé Manuel Olveira, Pico, faleceu esta qunta feira 13 de Xuño despois dunha longa enfermidade. O filme "Somos xente honrada", recén estreado, pecha a súa exitosa traxectoria artística.
O filme "Somos xente honrada", recén estreada no Festival de Málaga, pecha a conta de filmes de Xosé Manuel Olveira, Pico; remata así unha dilatada traxectoria na que o actor subiu ao cumio do teatro galego, foi querido e popular nas súas intervencións en series televisivas e protagonizou as máis brillantes interpretacións da escena contemporánea. "Estandarte do teatro" "Supón todo. Como actor, como persoa, como compañeiro. É unha perda inasumíbel para a profesión. Era moi bon amigo e a súa é unha perda moi grande", comenta un emocionado Toño Casais, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, nada máis enterarse do falecimento do actor. "Era o verdadeiro estandarte do teatro galego", di Casais, nunha opinión compartida por boa parte da profesión. Arredor de medio cento de filmes teñen Pico no seu reparto, desde as iniciais fitas con Chano Piñeiro Nacido en Esteiro, Muros, en 1955, Xosé Manuel Olveira incorporase ao mundo do teatro en 1972, participando en diversas compañías que lle proporcionaron un lugar estelar no teatro profesional, desde a inicial amadora Ditea até ser un nome de referencia nas obras do Centro Dramático Galego, producións que lle valeron diversos premios, entre eles, varios María Casares e Mestre Mateo. A imaxe de Olveira está apegada nos seus inicios aos comezos do cinema en galego, ás producións de Chano Piñeiro nas que a súa interpretación comezou a abrirlle portas no mundo do audiovisual, no que se convertiría no nome máis recoñecido, tanto polos filmes que protagonizou como polas series televisivas nas que participou. "Era o verdadeiro estandarte do teatro galego" Arredor de medio cento de filmes teñen Pico entre o seu reparto, desde as iniciais con Chano Piñeiro até "Fuxidos", de Sancho Gracia; "El rey del río", de Gutiérrez Aragón; "Blanca Madison", de Carlos Amil; " A lingua das bolboretas", de José Luis Cuerda; "Cuando vuelvas a mi lado", de Gracia Querejeta; "La noche que dejó de llover", de Alfonso Zarauza; "Celda 211", de Daniel Monzón; "18 comidas", de Jorge Coira; ou "Doentes", de Gustavo Balza. Mais foi nas series televisivas nas que Xosé Manuel Olveira se fixo popular, converténdose nunha das imaxes máis recoñecidas do audiovisual. Inesquecíbeis son as súas participacións en series como "Pratos combinados" ou "Padre Casares", que contou co aplauso da audiencia ou "Air Galicia" mais tamén coa presenza en series da televisión española como "Cuéntame". Olveira foi presidente da Asociación Galega do Audiovisual e un dos referentes máis respectados entre a profesión, con solidez profesional e persoal na defensa do teatro e o audiovisual galego. Malia a enfermidade, Xosé Olveira continuou traballando e a gravidade do diagnóstico non impediu que continuase defendendo proxectos, aínda que con menor actividade da que caracterizou a súa traxectoria. No ámbito teatral e audiovisual sabíase da gravidade da súa situación mais, mesmo así, a noticia caeu como o chumbo, confiados os seus compañeiros e compañeiras de que as piores previsións non se cumprirían e a Pico quedaríalle máis escena do que infelizmente permitiu esta repentina baixada do pano.
NOS_35661
O uso do lume ligado ao pastoreo marca o inicio da precampaña e dá conta dun problema pendente de solución que se repite sistematicamente todos os anos.
Co tempo seco e a suba das temperaturas os incendios forestais volveron estenderse por todo o territorio. En poucas horas, no inicio do mes de abril arderon máis de 300 hectáreas que ascenden até as 751 se atendemos ao reconto de Medio Rural desde a entrada da primavera. "Son os lumes de sempre, provocados pola man do home", sinala Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural. "Repítense cada ano nas mesmas zonas. E son obra das mesmas persoas, que aproveitan, tamén, as mesmas condicións meteorolóxicas: un período de sequidade ambiental, estábel e con vento sostido do nordés, que facilita a propagación do lume". Como sobre a meteoroloxía non se pode actuar, di, "hai que actuar sobre as persoas" co fin de mudar unha práctica que se repite de forma sistemática. "Como? Facilitando alternativas ao uso do lume, desincentivando o uso do lume como ferramenta agrogandeira e apostando por un modelo de desenvolvemento rural que manteña a xente nese contorno sen necesidade de botar man do lume". Serafín González avoga por "atacar o problema de raíz" e concienciar a veciñanza amosándolles as repercusións negativas que teñen os incendios sobre o medio natural e sobre os seus propios recursos. Un labor que desenvolve de forma incipiente o equipo de prevención da Brigada de Reforzo de Incendios Forestais de Laza, á que pertence Daniel Fernández. Diálogo e prevención Até que comece a campaña no mes de xuño, encárgase de labores preventivos a canda outros compañeiros. "Facemos rozas perimetrais e faixas cortalumes arredor dos núcleos de poboación". No verán sumarase ao grupo de extinción que estes días participou xa na desactivación de varios incendios. "Os lumes de inverno adoitan producirse en zonas rurais onde hai bastante gando e botan man do lume para a rexeneración do pasto. Pero como todo está abandonado, esa queima acaba afectando ás masas forestais e temos que intervir". O brigadista fai fincapé nun hábito de vello que derivou nun grave problema para o medio natural. A solución pasa por dotar a xente do rural de "axudas e alternativas" para conseguir o mesmo pero por outros medios, incide o presidente da SGHN, "como rozas selectivas ou medidas de xestión silvopastorais". Con este propósito traballa o Eprif, o equipo de prevención da Brif de Laza. "Contacta cos gandeiros daquelas zonas cunha alta actividade incendiaria e falan con eles. Buscan conciencialos e estudar actuacións conxuntas que non supoñan outro lume descontrolado", explica Fernández. O diálogo con gandeiros, pastores e cazadores tamén forma parte da solución que propón o enxeñeiro técnico industrial e profesor Alberte Blanco, director xeral de Montes co bipartito na Xunta. "O problema da política de incendios da Galiza radica no tipo de operativo que se ten e no tipo de cultivo forestal, dominado por especies de alta combustibilidade". Con todo, engade, o problema é múltiple e complexo e "require unha forte interlocución con todos os axentes que están actuando sobre o medio". A maiores, defende un operativo mellor dotado, máis profesional e con capacidade para unha alerta rápida máis eficaz, o que exixe maior e mellor vixilancia, di. O incendio de Folgoso do Courel, o que calcinou máis terreo O día que entrou a primavera, o pasado 20 de marzo, a Xunta informou dun incendio na parroquia de Figueiras, en Compostela, que consumiu 40 hectáreas. Desde entón, en todo o territorio declaráronse outros 13 lumes forestais. Na Agolada, Chandrexa de Queixa, Folgoso do Courel, Viana do Bolo, Monforte de Lemos, Calvos de Randín, Cerdedo-Cotobade, Rodeiro, Ortigueira, Lobeira e Navia de Suarna. En Calvos e Folgoso, o lume recuncou, con dous focos activos en zonas e días distintos. No primeiro caso arrasou perto dunha hectárea dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. En Folgoso, dous incendios en Seoane e Meiraos queimaron 330 hectáreas. Foi, até o momento, o máis agresivo da pretemporada a canda o declarado en Rodeiro, que consumiu 126 hectáreas. Até onte, quinta feira 8 de abril, arderan xa 751 hectáreas no que vai de primavera.
NOS_1996
Formoso empraza a Xunta a que realice un apoio no caso de ser necesario un "suplemento" de fondos autonómicos para que os proxectos previstos saian adiante.
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, advertiu á Xunta de que "non se pode xogar coa xente" en relación co proxecto de Altri ao anunciar a súa localización en Palas de Rei antes de ter garantida a solvencia, polo que considera que "hai que ser serios". En declaracións este sábado en Compostela, Formoso reafirmou a posición "clara e rotunda" do partido para a "defensa dos proxectos solventes para a Galiza", pero subliña a "importancia" da "seriedade e claridade". "Altri, primeiramente, estaba garantido que se ía instalar na Mariña; despois estaba garantido que se ía montar en Palas de Rei, despois xa non está tan garantido porque depende de fondos europeos e despois depende de que se acheguen 200 millóns de fondos europeos", criticou. O eucalipto e a biomasa unen os negocios de Altri e Greenalia "No caso de Altri, non falan con claridade, non se pode xogar coa xente", aseverou o líder socialista. Aliás, emprazou a Xunta a que realice un apoio no caso de ser necesario un "suplemento" de fondos autonómicos para que os proxectos previstos saian adiante. "Non podemos permitir que por 15 ou 20 millóns de euros non se instale un proxecto que pode diversificar o sector forestal galego", manifestou Formoso. Falta de infraestruturas Na actualidade Palas de Rei conta cunha autovía a medio construír, a A-54, que unirá os concellos de Compostela e Lugo e que pasará ao norte da finca elixida por Altri para levantar a súa factoría. As infraestruturas comprometen o inicio da actividade de Altri A ministra de Transportes, Raquel Sánchez, indicou na súa última visita a Galiza que o tramo Melide-Palas de Rei entraría en servizo o próximo ano, mentres que para o tramo entre Melide e Arzúa, en dirección Compostela, debería agardar un ano máis para a súa conclusión.
NOS_1683
Segunda edición do Rally de Pontevedra tras a pandemia, unha das citas do motor máis importante das súa comarcas. Jorge Pérez e Francisco Dourado confirman participación e animan as posibilidades de podio.
O Rally de Pontevedra buscara consolidarse por segundo ano consecutivo, após o inicio en 2021 da recuperación do mítico Rally do Albariño que, por motivos de dereitos de propiedade, mudou de denominación. "Decidimos volver sacar adiante un rally que merecía una segunda oportunidade", apuntaba o seu presidente, Jose Otero Domínguez, "que o conseguíramos e que na súa primeira reedición foramos elixidos como mellor proba organizada do ano reafírmanos que imos polo camiño correcto", engadía. Un total de 75 competidores optan ao Rally de Narón A proba, cuarta cita dentro do Campionato Galego de Rallys, comezará hoxe desde a localidade de Portonovo, en Sanxenxo, onde se situará o parque de asistencia, as verificacións técnicas e cerimonia de saída a partir das 19.10 horas. O primeiro tramo será o deste municipio, nas inmediacións do Polígono Industrial de Nantes. Na xornada do sábado, a organización segue apostando por tres tramos a tripla pasada. O primeiro deles, o de Meaño, mantense invariábel con respecto ao ano pasado. A continuación os pilotos disputarán o de Cerdedo-Cotobade, un especial que este ano realizarase en sentido contrario, mudando en parte o final. O tramo final é o máis novidoso ao contar co percorrido mítico de Campo Lameiro-Moraña. "Era un especial que moitas afeccionadas e afeccionados pedíannos que recuperásemos e aquí témola", indican desde a Escuadra Corredoira Team Sanxenxo. En previsión de contar con moito público nesa zona aconsellan "chegar con tempo, facer caso dos comisarios e procurar outros tramos interesantes que tamén son técnicos e rápidos". Arranca o 'EcoRallye', o rally galego máis ecolóxico O parque fechado final será en Portonovo e a entrega de trofeos levarase a cabo nas instalacións do Real Club Naútico de Sanxenxo ás 23.55 horas. Máis de 130 participantes Esta cita do motor contou, ao remate do prazo sinalado, con 135 inscricións. A disputa do podio estárá moi animada, en parte pola participación de deportistas como Jorge Pérez e Francisco Dorado. Este último sinalou nas redes sociais que volve ao campionato galego "co obxectivo de seguir preparando o noso programa na Copa de España de Rallys de Asfalto". Para a proba de hoxe explicou que contará como copiloto no seu Polo GTi Rally2 con José Murado, aínda que "Jose Pintor seguirémolo a ter moi perto nesta carreira".
PRAZA_13271
En España xa se privatizaron case tódolos sectores rendibles (electricidade, telecomunicacións, autoestradas, aviación, etc) e só quedarían os hospitais e as escolas para rematar o proceso iniciado por Felipe González e consolidado por Aznar. Actualmente case todos os poderes públicos están en mans de partidos que non cren na fortaleza do Estado e do seu papel na Economía, e que por tanto defenden o seu adelgazamento ata o límite.
Levamos xa tantos anos coa crise a costas que case non nos lembramos de cando estabamos ben, de cando se creaba emprego e de cando había cartos para afrontar calquera proxecto. Dende mediados dos anos 90 ata o 2008 aproximadamente estivemos vivindo no que se seu en chamar "burbulla inmobiliaria". Galicia e España medraron ó abeiro dunha economía baseada na construción sen máis límite que a existencia de terreo urbanizable e de suficientes promotores, arquitectos, construtores e albaneis. Todo isto estaba favorecido por un sistema financeiro que permitía a concesión de créditos só con entrar nunha sucursal a tipos de xuro cada vez máis baixos pero que nos hipotecaban a 30 ou 40 anos. Pero como na sociedade percibíase un pulo xeneralizado para consumir e facerse propietario dun piso, dunha casa, dun coche, non chegamos a caer na conta de que algún día podían vir mal dadas (como así foi) e que teriamos que devolver todo o mercado máis os xuros. Ó principio (ano 2008) asistimos á caída de grandes bancos nos Estados Unidos cunha sensación de incredulidade, como pensando que iso non nos ía tocar a nós E esa espiral consumista atrapounos nos últimos 3 ou 4 anos cando chegou dos Estados Unidos un paquete bomba chamado crise financeira, concepto moi ben explicado polo popular profesor Leopoldo Abadía e a crise dos ninja. Ó principio (ano 2008) asistimos á caída de grandes bancos nos Estados Unidos cunha sensación de incredulidade, como pensando que iso non nos ía tocar a nós, que só era o castigo á desmedida ambición dos especuladores ianquis, eles que non tiñan regulación nin un Banco Central Europeo que os defendera. De feito, o propio Zapatero fíxonos crer o mesmo, pois durante moito tempo negou que en España houbera crise. Pero chegou o 2009 e todos os indicadores empezaron a quitarlle a razón: comezou a aumentalo paro, a baixar o PIB, a diminuír a afiliación á Seguridade Social, a pechar empresas, etc. En Galicia iso soubérono ben Touriño e Quintana, xa que foron dos primeiros gobernantes en caer tralo estoupido da famosa crise, e que foi ben aproveitada por Feijoo e o PP como principal arma electoral para chegar á Xunta en marzo do 2009. En Galicia iso soubérono ben Touriño e Quintana, xa que foron dos primeiros gobernantes en caer tralo estoupido da famosa crise, e que foi ben aproveitada por Feijoo e o PP como principal arma electoral para chegar á Xunta en marzo do 2009 Posiblemente foi o 2009 o ano no que empezaron a popularizarse varias palabras que agora enchen os informativos: axustes, recortes e déficit. Aínda que se sabía que a crise estoupara nos USA, en España ésta atopou terreo aboado nunha estrutura económica dependente do ladrillo e do turismo, con baixa produtividade e ínfimas taxas de innovación e investigación. Como cambiar dita estrutura era moi complicado empezou a botárselle a culpa á mala xestión socialista e ó despilfarro de recursos. Esta idea, repetida coma un mantra por moitos grupos fácticos contrarios ó goberno de Zapatero, así como a chegada ó poder en Europa de partidos de dereita, creou no subconsciente colectivo a necesidade de axustalas partidas de gasto por medio de recortes no que en principio era superfluo. En España a cousa tardou un chisco máis, exactamente ata maio, cando os "mercados internacionais", a propia Unión Europea e , sobretodo, a Alemaña de Angela Merkel, obrigaron a Zapatero a tomar medidas drásticas Deste tipo de medidas foi líder o noso presidente actual, Núñez Feijoo. Primeiro había que recortar partidas innecesarias de gasto corrente. Pero pronto comezou a tocárselle o salario ós funcionarios, criminalizándoos ante a opinión pública por teren un posto fixo (que en moitos casos fora xustamente gañado). E de aí deuse un chimpo cualitativo e apuntouse cara a Educación e a Sanidade. Isto xa se vía vir en Galicia nos albores do ano 2010. En España a cousa tardou un chisco máis, exactamente ata maio, cando os "mercados internacionais", a propia Unión Europea e , sobretodo, a Alemaña de Angela Merkel, obrigaron a Zapatero a tomar medidas drásticas que contentaran ós posuidores dos capitais e evitaran que España levara o mesmo camiño que Grecia ou Irlanda, é dicir, a intervención. Por iso, esquecendo o programa co que gañara as eleccións de marzo do 2008, Zapatero sumouse á onda de recortes nas contas para que o déficit do Estado español agradara ós grandes poderes antes citados. Eses recortes voltaron centrarse nos funcionarios, pero non se tocou inicialmente o orzamento de Educación e Sanidade. Foi a partires de novembro do 2011, data na que Mariano Rajoy gañou as eleccións lexislativas españolas, cando os recortes se acentuaron e se estenderon a tódolos eidos, pois polo visto Zapatero non recortara suficientemente ben. Nesta tarefa Rajoy sentiuse respaldado polo gran poder autonómico en mans do PP xurdido das eleccións municipais de maio do 2011, ademais de pola Generalitat catalana (de CiU) E foi nesas cando o foco dos axustes se dirixiu con toda a súa carga cara ós alicerces básicos do Estado do Benestar, como son a Educación e a Sanidade. Cando varios ministros e o propio Rajoy aseguraron que non ían dinamitar o Estado do Benestar moitos vimos un claro indicio de que se "abría a veda" para facelo, xa que é moi común na política negar moitas veces e con rotundidade un asunto para pasar a facelo no momento menos pensado. Nesta tarefa Rajoy sentiuse respaldado polo gran poder autonómico en mans do PP xurdido das eleccións municipais de maio do 2011, ademais de pola Generalitat catalana (de CiU). Pero o acicate máis importante chegou dende a Unión Europea, Alemaña, o BCE e o FMI, trasladando á política as ideas neoconservadoras vixentes na ortodoxia económica dos últimos anos. Afortunadamente están xurdindo de novo voces críticas cos neoliberais, tales como os recoñecidos Premios Nobel de Economía Joseph Stiglitz e Paul Krugman. Pero, se como acabo de sintetizar, a crise comezou sendo de carácter financeiro e despois se combinou co estoupido da burbulla inmobiliaria, que "culpa" teñen a Sanidade e a Educación para que acaben sendo as partidas coas que axustar as falcatruadas feitas por bancos, especuladores e axentes da construción? En España xa se privatizaron case tódolos sectores rendibles (electricidade, telecomunicacións, autoestradas, aviación, etc) e só quedarían os hospitais e as escolas para rematalo proceso iniciado por Felipe González Parece que unha resposta a esta cuestión está relacionada co feito de que en España xa se privatizaron case tódolos sectores rendibles (electricidade, telecomunicacións, autoestradas, aviación, etc) e só quedarían os hospitais e as escolas para rematar o proceso iniciado por Felipe González e consolidado por Aznar. Actualmente case todos os poderes públicos están en mans de partidos que non cren na fortaleza do Estado e do seu papel na Economía, e que por tanto defenden o seu adelgazamento ata o límite. Esa consigna ideolóxica está sendo favorecida por moitos medios de comunicación situando no debate público termos coma o "copago" sanitario ou a educación concertada. Ademais, non teño dúbidas de que moitos grupos empresariais están detrás destes movementos para facerse co control de dúas "industrias" que aínda teñen moito leite que dar. Un exemplo disto témolo ben preto co novo hospital que se está construíndo en Vigo, de capital público e privado. Ou tamén coas revoltas ocorridas en Valencia en meses anteriores co gallo do desmantelamento de varias escolas públicas "por falta de cartos" namentres as privadas aumentan os recursos procedentes da Administración. Outra crítica que se lle pode apoñer a este proceso planificado contra o Estado do Benestar é que os axustes non están afectando a determinadas institucións privilexiadas que parece que están á marxe da realidade. Refírome á Igrexa Católica, que segue sen pagar impostos e recibindo cartos públicos a mancheas; ó Exército, que non ten moito sentido estando na OTAN e na UE; e á Monarquía, institución medieval de carácter dinástico incompatible cun sistema democrático pleno, máis aínda tendo en conta a opacidade das súas contas e a pouca exemplaridade dos seus membros nos últimos tempos. En fin, isto lémbrame demasiado á actuación dos gobernos conservadores de Margaret Thatcher no Reino Unido durante os anos 80, que provocaron o desmantelamento das industrias produtivas e converteron a aquel país nun gran centro de Comercio internacional e de servizos financeiros, pero con menos obreiros e menos dereitos. Ademais, os hospitais e escolas públicas, totalmente desprestixiados, acentúan a diferencia entre unha elite que se pode permitir pagar por unha educación e sanidade de calidade, e a gran masa de persoas que se teñen que conformar con peores escolas e peor trato nos hospitais. A que esperamos para rebelarnos contra un sistema que nos denigra como cidadáns e como persoas? Canto tardará a sociedade en dicir NON? Se para contentar a determinados organismos internacionais e moitos poderes fácticos que non dan a cara hai que eliminar moitas das conquistas sociais obtidas con grande esforzo pola xeración dos nosos pais e avós, a que esperamos para rebelarnos contra un sistema que nos denigra como cidadáns e como persoas? Canto tardará a sociedade en dicir NON? Para concluír eu pregúntome: se cando os bancos van mal (pola súa mala xestión) son outros sectores os que teñen que apandar, por que non pensar en cobrarlles a eses mesmos bancos unha taxa para financiar as partidas do Estado do Benestar cando o sector financeiro estea saneado?
NOS_21181
Na segunda semana do estado de alarma (do 23 ao 29 de marzo), a Intensidade Media Diaria (IMD) na Autoestrada do Atlántico foi de 4.938 vehículos, segundo trasladou a propia concesionaria, Audasa.
O tráfico na autoestrada AP-9 continúa reducíndose e, na segunda semana do estado de alarma (do 23 ao 29 de marzo), chegou ao seu mínimo histórico, cunha Intensidade Media Diaria (IMD) de 4.938 vehículos, segundo trasladou a propia concesionaria, Audasa. Esa cifra representa un decrecemento medio do tráfico de 77,7 % en todos os tramos da autoestrada, incluídos tanto traxectos como os portaxe gratuítos. No que vai do mes de marzo, a IMD da Autoestrada do Atlántico foi de 11.303 vehículos, case 50% menos que a media do mesmo mes do ano pasado, e 47,9 % inferior ao mes de marzo de 2018. No cómputo anual, segundo datos trasladados pola concesionaria, o tráfico na autoestrada reduciuse algo máis de 26 % neste 2020. Por outra banda, a concesionaria confirmou que non solicitou ningunha compensación económica ao Goberno polo descenso do tráfico (e, como consecuencia, descenso de ingresos polas portaxes) debido ás restricións de circulación, "nin ten previsto facelo". Así mesmo, sinalou que tampouco está nas súas previsións tramitar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) e que, dos seus 250 empregados na Galiza, gran parte están teletraballando, mentres que se mantén a atención aos usuarios en portagos, os equipos "imprescindibles" de mantemento e seguridade no vial. Audasa tamén volveu a lembrar que os métodos preferentes de pago son as tarxetas bancarias, e o sistema de 'telepeaxe'.
NOS_48497
As aves precipitáronse ao chan, contra vehículos e mesmo algunha persoa no barrio ferrolán de Caranza na mañá desta sexta feira. A investigación está aberta e as primeiras informacións apuntan ao contacto cunha liña de alta tensión.
As e os veciños do barrio ferrolán de Caranza continúan sorprendidos polo suceso acaecido esta mañá cando unha gran bandada de estorniños precipitouse cara o chan mentres voaba sobre a rúa do Alcalde Quintanilla Martínez. A priori non ocorrera nada que explicara esta morte masiva das aves, se ben as primeiras investigacións aluden a un posíbel choque cunha liña de alta tensión. Segundo as autoridades, arredor de 150 exemplares do tamén coñecido como chirlomirlo morreron esta mañá en pleno voo, o que levou a que foran parar ao asfalto, algúns vehículos estacionados ou que circulaban pola zona e mesmo algunha persoa que ía camiñando. O estraño suceso deuse arredor das 09 horas desta sexta feira na contorna do Hospital Juan Cardona, do grupo Ribera Salud. A veciñanza alertou de inmediato á Policía Local de Ferrol, que se desprazou até a zona cunha patrulla, ademais dun técnico ambiental da Xunta e operarias expertas da empresa que realiza o servizo de control de aves para a Concellaría de Medio Ambiente da cidade. Estes últimos foron os que se encargaron de retirar os exemplares de estorniños pintos (' Sturnus vulgaris') mortos da vía pública. Tamén se localizaron outros cinco paxaros vivos, pero que eran incapaces de retomar o voo, polo que foron trasladados ao Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe da Xunta situado no municipio de Oleiros. En paralelo mantense aberta a investigación tanto por parte do Goberno local como da Xunta, pois cómpre aclarar o ocorrido. Unha descarga polo fenómeno de arco eléctrico?Fontes da Administración local explicaron a empresa de control de aves de Ferrol localizara o pasado xoves, día 25, unha pequena bandada de estorniños, uns 30 exemplares, na zona da Universidade, aínda que nos demais espazos habituais para esta especie que están catalogados na urbe non se detectou presenza destas aves.A zona onde apareceron estes exemplares mortos e feridos "non é un dormideiro catalogado previamente e antes non se recibiu ningún aviso da presenza de estorniños". Aliás, fontes consultadas por Europa Press detallaron que a electrocución dunha bandada de paxaros adoita suceder cando voan moi preto uns doutros. Desta maneira, se un paxaro toca cun á un cable de alta tensión pode producirse o fenómeno de arco eléctrico e este transmítese rapidamente ao resto da banda, co que a descarga pode ser mortal para o grupo.
PRAZA_7947
O presidente executivo de Novagalicia Banco, José María Castellano, comunicou este venres que o canxe das preferentes por accións, cunha quita do 50%, se realizará a finais de marzo
Varios milleiros de afectados e afectadas pola estafa das preferentes participaron este sábado na Coruña nunha nova manifestación para pedir a devolución íntegra dos seus aforros. Chegados dende toda Galicia, marcharon dende a Praza de Ourense polo centro da cidade até a cidade, provocando un importante atasco circulatorio. Esta protesta, que sucede á que tivo lugar hai unhas semanas en Compostela, chega un día despois de que o presidente executivo de Novagalicia Banco, José María Castellano, comunicase que o canxe das preferentes por accións, cunha quita do 50%, se realizará a finais de marzo. Castellanos descargou no FROB e no Goberno e na UE a responsabilidade de que a vía da arbitraxe ficase pechada para milleiros destes aforradores. En calquera caso, está previsto que a arbitraxe se peche no momento en que as preferentes sexan canxeadas por accións. Nese momento a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) abrirá unha nova ferramenta de arbitraxe, que segundo as plataformas de afectados terá as mesmas limitacións que a posta en marcha pola Xunta hai meses. A manifestación repetiu as mesmas reivindicacións presentes en anteriores marchas, centradas na denuncia do "roubo" e do sistema financeiro, a demanda da devolución dos aforros depositados nas antigas caixas e tamén na critica aos gobernos galego e español: "Goberno, escoita, seguimos na loita". Os manifestante lanzaron ovos contra a sede de Novagalicia Banco, que impactaron nas paredes e fiestras do edificio. Ao remate da manifestación gardouse un minuto de silencio polo falecemento dun destes aforradores en Melide, que segundo os convocantes se tería suicidado pola súa sítuacíón económíca Ao remate da manifestación gardouse un minuto de silencio polo falecemento dun destes aforradores en Melide, que segundo os convocantes se tería suicidado pola súa sítuacíón económíca. Sería o primeiro suicidio en Galicia dun afectado polas preferentes. O BNG lembra que é "imprescindíbel modificar a norma que permite as quitas" O Grupo Municipal do BNG lembra que no pasado Pleno ordinario de febreiro xa advertiu de que era ·imprescindíbel modificar a norma que permite as quitas·, que é a Lei 9/2012, de 14 de novembro, de reestruturación e resolución de entidades de crédito. Daquela o Grupo Municipal do BNG denunciara que a iniciativa presentada polo PP era "un lavado de cara" e que o Goberno municipal estaba a "mentirlles" ás persoas estafadas, ao lles asegurar que esta lei non lles afectaban aos particulares, senón só aos investidores.
NOS_13391
O Gran Camiño reúne varios dos mellores equipos e ciclistas do mundo
Álvaro Pino, Miguel Indurain, Abraham Olano, Claudio Chiappucci, Laurent Jalabert, Marcos Serrano, Marco Pantani, Frank Vandenbroucke, Jesús Blanco Villar, Armand De Las Cuevas, Laudelino Cubino, Vicente Belda, Piotr Ugrumov... a histórica Vuelta Ciclista á Galiza, renacida en 1984 logo de case tres décadas, achegou até a súa segunda desaparición no ano 2000 a varias das mellores figuras da estrada de todos os tempos, convertendo en fans do ciclismo toda unha xeración de galegas. 22 anos despois, a proba referencia das dúas rodas no país regresa rebautizada como O Gran Camiño e nun contexto ben diferente, pois a popularidade do ciclismo decaeu sobremaneira entre o gran público, polo que supón unha gran oportunidade para revitalizar a paixón pola bicicleta. Xa que logo, aquelas persoas que se congreguen nas cunetas do país para animar os distintos corredores deben ser conscientes de que lonxe quedan aqueles vellos equipos Kelme, Once, Mapei ou Banesto, pois as formacións que conformarán o pelotón do Gran Camiño, co poderosos Movistar á cabeza, serán Israel Premier Tech, EF, Cofidis, Euskaltel-Euskadi, Kern Pharma, Burgos BH, Caja Rural Seguros, Eolo-Kometa, Bardiani CSF, DH Drone Hopper, Gazprom Rusvelo, Human Powered Health, Efape, RP Boavista, Manuela Fundación e o portugués WS2 FC Porto. A representación galega está encabezada por Carlos Canal Para evitar esperas e aglomeración innecesarias, a organización ofrece na web oficial do certame un 'rutómetro' a través do cal poden consultarse os horarios estimados de paso dos ciclistas polas diferentes localidades. Entre eles, os nomes máis berrados serán os dos cinco representantes do país: Carlos Canal (Euskaltel-Euskadi), que na pasada Vuelta a España 2021 tornou no primeiro corredor galego en disputar unha das tres grandes roldas en tres anos; Guillermo García Janeiro (Boavista), quen aos seus 22 anos agarda confirmar a súa progresión ante o seu público; Alejandro Marque -veteranísimo ciclista de 40 anos que afronta a súa derradeira tempada como profesional-, Delio Fernández -que deixa atrás a súa mala experiencia no Delko Marsella francés, que lle debe un ano de salario- e Samuel Banco -xa consolidado no marco do profesionalismo logo dunha incursión na categoría elite en 2020-, todos eles baixo a disciplina do Atum General-Tavira. O primeiro paso do último baile de Alejandro Valverde Con permiso dos corredores galegos, o nome con máis poderío mediático no pelotón da Volta á Galiza 2022 é o de Alejandro Valverde. O murciano anunciou en novembro de 2021 que aos seus 41 anos -42 a partir do mes de abril- chegaba o tempo de colgar a bicicleta na parede do garaxe, sendo O Gran Camiño a primeira parada na derradeira campaña como profesional dun home que conta cun palmarés case inmellorábel no que se inclúen unha xeral da Vuelta a España -e outros seis podios, alén dun terceiro posto no Tour de Francia e outro no Giro de Italia -, un Campionato do Mundo en Ruta e innumerábeis vitorias en clásicas do nivel da de San Sebastián, a Flecha Valona ou a Liexa-Bastogne-Liexa. Lamentabelmente non estarán na liña de saída do Porriño, a pesar de que os seus equipos si que serán da partida, estrelas do nivel do catro veces gañador do Tour de Francia Chris Froome (Israel Premier Tech), o sempre combativo Míkel Nieve (Caja Rural-Seguros RGA) ou o líder do Ilnur Zakarin, que aínda que lonxe queda o seu podio na Vuelta a España de 2017 segue sendo un competidor a ter en conta no panorama internacional. Multiplicidade de eventos nas estradas galegas O Gran Camiño non suporá a fin do ciclismo nas estradas do país, pois a Federación Ciclismo Galego (FCG) fixo público o regreso logo de dous anos no limbo a causa da Covid da Copa Galiza Máster. A apertura da torneo terá lugar o 27 de marzo no concello de Oroso. Deste modo, o Tambre Bike retoma en Sigüeiro o Memorial Fernando Abad, un dos primeiros eventos que se anulou no 2020 por mor da crise sanitaria. Xa a piques de entrar no verán, o 12 de xuño, estrearase o Trofeo Portus Apostoli en Noia, cita xorde promovida pola Peña Ciclista Noela. Os puntos que se repartan nas catro categorías Máster marcarán en boa medida o que aconteza unha semana máis tarde (19 de xuño) no desenlace da Copa, nun Gran Premio Ribeira Sacra que ten detrás o traballo do Club Ciclista Chantadino e que na súa quinta edición encargarase de resolver o renacido certame.
NOS_54492
O total de estudantes contaxiados na Galiza reduciuse en 22 polo que agora son 501. A Área de Compostela incrementouse en tres casos. O centro máis afectado da Galiza é o IES de Mos con 33 infeccións activas e catro aulas fechadas.
Os casos activos de covid-19 en centros educativos galegos redúcense en 22 até 501, mentres as aulas inoperativas seguen en 21 e unha escola infantil permanece fechada en San Sadurniño, segundo os datos actualizados este sábado polas consellarías de Educación e Sanidade. Se falamos de áreas sanitarias, os casos activos en centros educativos descenden nas da Coruña (-11), Vigo (-5), Pontevedra (-5), Ourense (-3) e Lugo (-1), mais mantéñense igual en Ferrol e increméntanse en Compostela (+3). A área de Vigo mantense como a que rexistra máis casos, aínda que estes redúcense a 180 (-5), e seguen en 14 as aulas que non están operativas. A nivel de centros, o IES de Mos é o máis afectado na Galiza con 33 infeccións activas e catro aulas fechadas. Mentres, no IES Rosais 2 de Vigo os casos baixan até os 10 (-1). Séguelle a área da Coruña, con 88 casos activos (-11) e tres aulas que permanecen fechadas. Na zona, destaca o CPR Plurilingüe Fillas de Xesús con 15 casos activos (-5). En terceiro lugar estaría a área de Santiago con 65 positivos (+3) e tres aulas non operativas. O centro máis afectado é o CPR Plurilingüe María Assumpta de Noia, que segue con catro contaxiados. A área de Lugo presenta cifras similares, xa que rexistra 62 casos activos (-1), mais mantense sen aulas fechadas desde hai catro días. O CEIP de Celeiro segue como o centro con máis casos, oito. Após ela sitúase a área de Pontevedra con 60 contaxiados (-5) e unha aula fechada no CEIP Arealonga de Vilagarcía de Arousa, que rexistra cinco positivos. Ourense e Ferrol son as menos afectadas As áreas menos afectadas son as de Ourense e Ferrol que se manteñen como as que presentan menos infeccións activas. Así, a primeira conta con 31 casos (-3) dos que catro corresponden ao CPR Plurilingüe San Xosé da cidade das Burgas e segue sen clases inoperativas. Mentres, a área de Ferrol contabiliza 15 positivos distribuídos en 10 centros e permanece sen aulas fechadas, aínda que coa escola infantil de San Sadurniño clausurada.
PRAZA_518
Os equipos galegos fan a súa estrea oficial como selección con senllas vitorias ante Suráfrica. O equipo masculino venceu tamén a Oriente Medio e ambos os dous buscarán este sábado o pase á gran final. Vídeo no interior.
Galicia sairá do Mundial de fútbol gaélico coa cabeza ben alta. As seleccións masculina e feminina -as primeiras galegas que compiten de xeito oficial nun torneo internacional- debutaron nos Xogos Mundiais que se disputan en Abu Dhabi con tres vitorias, dúas conseguidas polos mozos e unha polas rapazas na xornada inaugural, na que os dos combinados disputaron cadanseus tres encontros. Galicia debutou como selección oficial nun torneo internacional con senllas vitorias feminina e masculina ante Suráfrica Tanto o equipo masculino como o feminino arrancaron contra Suráfrica, á que venceron respectivamente 9-2 e 10-5 no que era a estrea dunha selección galega nun campionato oficial internacional. En ambos os dous casos, o xogo fluído dos galegos foi moi superior ao dos africanos. No seu segundo encontro, as rapazas galegas caeron ante Canadá con claridade (12-0), para logo caer derrotadas tamén ante Oriente Medio (9-4). No caso da selección masculina, Galicia caeu ante Arxentina no seu segundo encontro dos Xogos Mundiais (6-10) nun partido no que, malia perder de cinco no descanso, o equipo galego comezou unha remontada que non foi suficiente. Malia todo, o conxunto branquiazul refíxose para asegurar o segundo posto do grupo superar amplamente o combinado de Oriente Medio, ao que derrotaron cun claro 18-0. A selección masculina gañou dous dos seus partidos, mentres que a feminina non puido con Oriente Medio nin Canadá Na xornada deste sábado, os equipos galegos disputarán as semifinais na procura dun posto na gran final que se disputaría á tarde. O combinado masculino volverase enfrontar a Suráfrica, que perdeu con Arxentina cun penalti no último minuto. As rapazas enfrontaranse a Oriente Medio coa oportunidade de desquitarse da derrota na primeira fase na loita por unha praza no partido definitivo. "Xa chegar ata aquí foi un éxito, ao igual que gañar un partido. Agora tócanos gozar disto", asegurou Iago Pedreira, un dos integrantes da selección galega, en declaracións á TVG. Todos os xogadores e xogadoras son amateur e moitos deles tiveron que pedir permiso nos seus traballos ou coller días de vacacións para poder disputar este Mundial, ao que Galicia puido acudir grazas ao apoio de patrocinadores como a Deputación de Pontevedra, pero tamén ás achegas conseguidas a través dunha campaña de crowdfunding coa que apañaron máis de 4.000 euros. Os rapaces xogaranse o pase á final contra Suráfrica e as rapazas, ante Oriente Medio A presenza de Galicia neste Mundial é histórica, non só para o fútbol gaélico, senón para o deporte galego en xeral, ao ser o primeiro combinado nacional recoñecido oficialmente. Todo comezou hai cinco anos, cando un grupo de rapaces da Coruña puxo en marcha o primeiro equipo de fútbol gaélico do país. Os Fillos de Breogán comezaron unha aventura nun deporte irlandés, de 130 anos de historia pero do que pouco máis se sabía que semellaba unha mestura entre fútbol e rugbi. Impulsaron un club e soñaban con conseguir máis conxuntos cos que xogar. Na actualidade, esta disciplina conta cunha liga galega con 15 equipos (oito masculinos e sete femininos) afiliados na Asociación Galega e coa súa propia selección oficial recoñecida pola federación irlandesa que rexe este deporte a nivel global. O éxito deste deporte en Galicia é único a nivel mundial. Nunha disciplina plenamente irlandesa, a maioría de equipos que hai fóra de Irlanda están compostos por xente da illa ou descendentes deles, como é o caso tamén deste Mundial. En Galicia, o 99,9% dos xogadores son galegos e o que empezou como unha aventura mobiliza xa uns 250 xogadores e xogadoras cada fin de semana e de maneira totalmente afeccionada. De feito, un combinado galego e outro da Bretaña disputaron o primeiro partido entre seleccións nacionais da historia deste antigo deporte. Entre os convocados queu disputan este Mundial hai xogadores do Irmandinhos da Estrada, dos Fillos de Breogán da Coruña, do Mecos e Mecas do Grove ou do Estrela Vermelha de Compostela.
NOS_50112
A Unión Europea como modelo e o euro como a súa chave de bóveda, a debate. A nova entrega da sección 5x2, que Sermos Galiza impulsa para conmemorar o seu V aniversario, reúne Manuel Mera, director da Fundación Moncho Reboiras, e Julio Torrado, deputado do PSdeG; para debullar esta cuestión. Publicamos un avanzo.
Sermos Galiza. A crise favoreceu pór na mesa o debate sobre o papel da Unión Europea e do euro. Que radiografía fariades no momento actual do UE e o euro após estes anos de gran recesión? Manuel Mera. O resultado da crise é malo: aumenta a desigualdade social e a desigualdade entre territorios, esténdese enormemente a precariedade, hai dúbidas sobre o que vai pasar coas pensións, hai unha fiscalidade máis regresiva. Hai unha enorme concentración e centralización do capital. Mais a pregunta é, rematou a crise? Eu teño as miñas dúbidas. Julio Torrado. A UE é un proxecto no que se destacou sempre o positivo, que o ten, mais nestes anos evidenciáronse as costuras. Os problemas de Europa mostráronse nunha situación como esta, de crise profunda. Unha crise cun problema engadido: non é que se saia, senón como se está a saír. Temos un problema de desigualdade brutal. Ben, estas costuras da UE amosan que a pesar dunha suposta unidade de Europa ao final, á hora de resolver os problemas, non hai tal. Asistimos a unha competición brutal no seo de Europa entre uns Estados e outros, e aí está o problema. O positivo era a idea xeral de países cun proxecto común e ao final non é así e ao chegar os problemas ficou en evidencia a fractura e a debilidade do sistema europeo, que precisa aínda moita construción. SG. Son, logo, a UE e o euro parte da solución ou parte do problema? Mera. Para min o euro é parte do problema. A UE está construída en base aos intereses das clases dominantes de Alemaña, as grandes corporacións e poderes, que crearon uns mecanismos de control sobre o conxunto de Europa. Non é o mesmo o período inicial da UE, con políticas máis amábeis e onde se precisaba desenvolver certas infraestruturas e actividades produtivas para que se engarcen cos intereses económicos centroeuropeos; que o de agora. Un dos principais mecanismos de control é o arancelario, coas políticas macroeconómicas comúns. Favorecendo importación e exportación de determinados produtos. O seguinte paso foi o euro, que regula toda a actividade económica. Non é casual a flexibilidade cuantitativa nestes anos, coa finalidade de salvar a banca, nomeadamente a alemá e francesa, moi expostas. [Podes ler o debate íntegro no Sermos Galiza 248, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]
NOS_8259
Enmárcase na campaña Galega, Jovem e Rebelde, Organiza-te para vencer que desenvolve a organización xuvenil independentista.
O debate vaise realizar a vindeira quinta feita a partir das 20 horas no compostelán Centro Social A Gentalha do Pichel e con el a formación independentista querse debruzar sobre "como afecta a cidadanía a xentrificación dos espazos públicos, o impacto nas viciñanzas das ópticas e os planos urbanísticos, ben como a precarización do emprego e a perda de identidade nos bairros. Intervirán Iago Lestegás, arquitecto, doutor en urbanismo e investigador na Universidade Galega; Concha de la Fuente, viciña do bairro de Fontiñas e ex presidenta da AA VV "A Xuntanza" de San Pedro; Carlos Ferrás, director do grupo de investigación socio-territorial do IDEGA (Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvimento de Galiza) e Noelia Outón, estudante e residente em Compostela.
PRAZA_10077
"¿Por qué Mato?", "¿Mato por Coruña?", pregúntase a cartelería sen siglas da candidata do PP na cidade, onde os principais aspirantes á alcaldía debateron, en ausencia de Ferreiro, ante un boneco coa súa careta nun acto dunha asociación de empresarios moi crítica coa Marea Atlántica.
"Aquí preséntome eu, Beatriz Mato". A candidata á alcaldía da Coruña polo PP remarcaba así o carácter máis persoal da súa campaña municipal, poucos días despois das eleccións xerais. A caída do seu partido foi tamén importante na cidade, onde perdeu 20.000 votos respecto a 2016 e viu como o PSOE o superaba en máis de doce puntos. "Aquí preséntome eu, Beatriz Mato", insiste en aclarar a candidata polo PP á Coruña, ex-conselleira de Traballo e de Medio Ambiente en dous gobernos de Feijóo"O que me importa é A Coruña", insiste en aclarar para desvincularse da súa formación a que fora conselleira de Traballo e Benestar e de Medio Ambiente en dous gobernos de Núñez Feijóo, ata que no outono pasado deixou o posto para se centrar no asalto á alcaldía e o seu obxectivo de coller o bastón de mando que ostentan Xulio Ferreiro e a Marea Atlántica. Quédanlle quince días dunha campaña que se prevé controvertida e que a unhas horas do seu inicio tivo mesmo un debate ante a presenza dun boneco cunha careta do rexedor. Alí estivo Beatriz Mato, cuxa presenza política foi e é omnipresente na cidade desde hai tempo, tamén sendo membro do Executivo da Xunta.A metade dos actos oficiais que como conselleira celebrou en 2018, e ata que se anunciou a súa saída do Goberno, foron na Coruña. Máis tarde, xa sen cargo oficial autonómico, a Xunta seguiu promocionando a candidata, dándolle protagonismo en actos oficiais. Desde hai meses, ademais, os carteis da precampaña de Beatriz Mato, e algunha polémica derivada deles, son constantes. Os últimos, varios cuxos lemas fan un xogo de palabras co seu apelido e que se poden ver estes días pola cidade: "¿Por qué Mato?", "¿Mato por Coruña?", pregúntase unha cartelería impoluta, sen siglas nin símbolo ningún.Tampouco aparecía o nome do PP nin de candidata ningunha nos numerosos carteis que hai uns meses inundaron a cidade con lemas que denunciaban a suposta parálise da urbe. "Coruña está parada" ou "Coruña está atascada" foron algunhas das frases dunha enigmática campaña que axiña coñeceu a súa orixe co reverso que supuxo outra impulsada por Beatriz Mato: "Coruña imparable". "¿Por qué Mato?", "¿Mato por Coruña?", pregúntase unha cartelería impoluta, sen siglas nin símbolo ningún, estes días na CoruñaA ex-conselleira é a grande aposta de Feijóo para recuperar para a formación unha cidade gobernada pola Marea Atlántica desde que en 2015 a candidatura municipalista igualase na primeira posición co PP. Desde aquela, os ataques dos populares e de colectivos afíns á dereita á súa xestión foron fortes e constantes, ben fose aproveitando os erros da Marea ou procurando polémicas en cada decisión ou dato senlleiro. Houbo dureza, como cando o PP dixo que o alcalde tiña "a culpa" do aumento de violacións na cidade ou cando colectivos veciñais convocados por parte da oposición provocaron altercados no salón de plenos, lanzando flores "para o cadaleito do alcalde" tras a retirada por erro dunha alfombra floral por parte do servizo de limpeza municipal. A última polémica, este mesmo venres. Os cabezas de lista dos principais partidos foron convidados a un debate organizado pola Asociación de Emprendedores de Galicia (Ascega). O alcalde decidiu non acudir e no seu lugar foi o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema. A reacción desta entidade empresarial, que adoita cargar con dureza contra a Marea Atlántica, foi vetar a intervención deste membro do executivo local e, na cadeira reservada, colocar un boneco (sen pernas) cunha careta de Xulio Ferreiro.Alberto Lema decidiu abandonar o acto ao "non darse as condicións mínimas de respecto para poder falar". "Alberto Lema é sempre benvido a Ascega, pero aceptar a imposición da súa persoa no debate tería sido unha falta de respecto para o resto de líderes,que si aceptaron vir a debater", xustificou a asociación. Fontes do goberno local aseguran que Xulio Ferreiro tiña xunta de goberno local pola mañá e lembran que xa estivo presente varias veces en actos de Ascega, incluído un almorzo aberto a preguntas este mesmo ano, e malia que as declaracións do colectivo en referencia ao executivo "distan bastante de ser educadas". O rexedor coruñés, pola súa banda, tirou de ironía ao dar as grazas á asociación "pola homenaxe" e advertirlles de que esa "camisa chula" do boneco non a tiña "aínda no armario". Os principais candidatos á alcaldía debateron, en ausencia de Ferreiro, ante un boneco coa súa careta nun acto dunha asociación de empresarios moi crítica coa MareaMalia as críticas ao xesto de Ascega por parte da candidata socialista, Inés Rey, que manfestou a súa "disconformidade coas formas"; ou do candidato do BNG, Francisco Jorquera, cuxa formación amosou o seu "malestar" e recoñeceu que quizais deberían "ter sido máis contundentes", o debate seguiu celebrándose. Ante un boneco cunha careta de Ferreiro e coa intervención do resto dos principais aspirantes á alcaldía de cara a unha campaña onde, con todo, o que parece decidirse é se a Marea será quen de volver liderar o espazo da esquerda e revalidar a alcaldía ou se o impulso do bo resultado das eleccións xerais do PSOE pode impulsar a súa aspirante a liderar o Concello.
NOS_31908
Hai 157.310 persoas nadas en Galiza que viven no estranxeiro, espalladas por máis de medio cento de países. O estado onde residen @s máis del@s é Arxentina (45.772). Mais hain@s en Xordania, Nova Zelanda,... onde quer que se mire.
Hai 157.310 persoas nadas en Galiza e que viven xa non é que sexa alén Padornelo, senón mesmo fóra do Estado español (limites 'oficiais' mandan, mesmo nas estatísticas). Galeg@s espallados por máis de 50 estados distribuídos nos cinco continentes. De América (onde viven 99.620 galeg@s nad@s no país) a Oceanía (970). E dicimos nad@s en Galiza porque se sumamos a estes o número de persoas con nacionalidade 'española' por seren descendentes de galeg@s elevaría a cifra, segundo o censo oficial, a cifra total sería de 463.812. Case o duplo que os habitantes de Vigo ou A Coruña. Só en Australia viven máis galeg@s que en moitas das parroquias do país E cal é o país onde hai máis nad@s na Galiza vivindo? Arxentina. Só neste país austral hai 45.772 'pibes' que viñeron ao mundo no noso país. Sería a oitava cidade galega. O segundo país onde están censad@s máis galeg@s é Suíza, con perto de 20.000 (en concrereto, 19.987). En Venezuela hai 16.599 e en Brasil, 12.995. Na Franza, 11.086. Así pois, estes son os cinco estados do mundo con máis galeg@s censad@s: Arxentina, Suíza, Venezuela, Brasil e Franza. O mapa da emigración latinoamericana e europea. En todos os sitios Por baixo d@s 10.000 galeg@s censad@s están países coma Uruguai (9.291), Alemaña (8.080) ou Estados Unidos (7.752 persoas), entre outros. Mais pódese xogar a pousar o índice cos ollos pechados sobre un mapamundi. En calquer país que sinalemos, hai galeg@s. China? Pois alí hai 130 nad@s en Galiza. Australia? Pois 967, máis que en moitas parroquias do noso país. Mais sigamos sinalando: Quizás Sudáfrica? Ben, pois alí hai 87 galeg@s. Guinea? 46 'paisanos' a residir nese país. Pousamos agora en Xordania? Pois alí hai 9 persoas nad@s neste curruncho do Atlántico e que saben dicir 'ṣabāha l-ḫair ' (bos días). E así podemos ir país após país. De Oceanía (970 galeg@s) a Europa (55.535 nad@s en Galiza vivindo en países que non son o Estado español) ou Asia (531), pasando por África (584).
PRAZA_21105
O Ministerio de Sanidade vén de actualizar a estratexia de vacinación, que inclúe a vacina de AstraZeneca, que se administrará ás persoas de menos de 55 anos. Este xoves comezou en Galicia a protección do persoal do Servizo de Axuda no Fogar e a finais de febreiro a das persoas de máis de 80 anos.
O Ministerio de Sanidade vén de actualizar a estratexia de vacinación da COVID, que inclúe as características de cada vacina e os grupos aos que se administrará. O documento marca as pautas que deben ser seguidas por todas as comunidades autónomas. A principal novidade desta actualización é a incorporación da vacina desenvolvida por AstraZeneca, aprobada xa para o seu uso na Unión Europea e que comezou a ser distribuída no Estado español. Tamén se detallan os novos grupos prioritarios para a súa vacinación, engadíndose á poboación maior de 80 anos, que comezará a ser protexida na derradeira semana de febreiro.A actualización da estratexia de vacinación incorpora a desenvolvida por AstraZeneca e detalla os novos grupos prioritariosA nova vacina de AstraZeneca ten algunhas vantaxes con respecto ás vacinas de Pfizer/BioNTech (Comirnaty) e Moderna, comezando polas maiores facilidades de transporte e conservación, pois necesita ser almacenada a unha temperatura de entre 2 e os 8 graos, fronte aos -15 graos da de Moderna ou os -60 graos da de Pfizer. Ademais, a vacina de AstraZeneca non presenta efectos adversos excesivamente importantes, ao igual que as vacinas de Pfizer e Moderna, referídose a posibilidade de provocar fatiga, cefalea, migrañas ou náuseas nalgúns casos, "maioritariamente de intensidade leve ou moderada" e de forma máis frecuente nas persoas novas e trala segunda dose.A vacina de AstraZeneca necesita tamén da administración dunha segunda dose es erá administrada ás persoas de 55 anos ou menos. As de ARNm reservaranse para as poboacións de máis idade e máis vulnerablesA vacina de AstraZeneca necesita tamén da administración dunha segunda dose, que debe ser aplicada entre 10 e 12 semanas despois da primeira. Este prazo é maior que nas vacinas de Pfizer (21 días) e Moderna (28 días). A eficacia desta nova vacina é inferior ás dúas anteriores: un 62,6% que se se eleva ao 70% cando se agarda 12 semanas para administrar a segunda dose). No caso das outras dúas vacinas, que empregan a tecnoloxía de ARN mensaxeiro (ARNm), a eficacia despois da segunda dose superou o 93% e o 94%.Con todo, a maior diferenza entre a vacina de AstraZeneca e as dúas anteriores está nos grupos aos que vai administrada. O Ministerio de Sanidade decidiu que só será aplicada ás persoas menores de 55 anos (no resto da Unión Europea optouse maioritariamente por limitala aos menores de 65), debido ao escaso número de persoas de maior idade participantes nos ensaios clínicos, que tampouco incluíron doentes con enfermidades graves (por debaixo de 55 anos a vacina si probou a súa eficacia en decenas de milleiros de persoas en todo o mundo). Tampouco se lle administrará ás persoas con inmunodepresión grave (incluíndo cancro en tratamento quimioterápico), enfermidade cardiovascular non controlada e enfermidade hepática, renal, metabólica/ endocrina ou neurolóxica graves.Este xoves comezou en Galicia a vacinación dos profesionais do Servizo de Axuda no Fogar menores de 55 anosDeste xeito, as vacinas de ARNm reservaranse para as poboacións de máis idade e máis vulnerables e a vacina de AstraZeneca utilizarase inicialmente para persoal sanitario e sociosanitario e outro persoal esencial. Porén, o Ministerio de Sanidade anuncia que podería reconsiderar esta diferenciación nos vindeiros meses se os ensaios clínicos da vacina de AstraZeneca que se están levando a cabo nestes momentos e que inclúen máis persoas maiores de 55 demostran a súa eficacia e seguridade neste grupo.Persoal sanitario que non está en primeira liña, persoal de farmacia, fisioterapeutas, forzas de seguridade, persoal de emerxencias e docentes están entre os novos grupos prioritariosA pasada semana a Xunta informou de que prevé rematar "a principios de maio" a vacinación das persoas 80 anos e máis, un ritmo que podería mellorar se chegan máis vacinas de Pfizer e Moderna, as indicadas para este grupo. De igual xeito, o Goberno galego confirmou este mércores que xa rematou a vacinación nas residencias e nos profesionais sanitarios de primeira liña e que "desde esta semana comezarase a vacinar ao resto do persoal sanitario". De igual xeito, tras recibir 11.100 doses da vacina producida por AstraZeneca, este xoves comezará a vacinación dos profesionais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) menores de 55 anos.Ata este mércores, recibiran as dúas doses da vacina en Galicia un total de 55.082 persoas e o Sergas levaba administradas 117.783 doses, o 78,7% das recibidas, segundo datos do Ministerio.A actualización da estratexia de vacinación detalla os grupos de poboación que pasarán a ser vacinados dende agora, de forma simultánea, unha vez que está xa rematando a vacinación das persoas usuarias de residencias, o persoal destas instalacións e o persoal sanitario de primeira liña.As persoas de menos de 55 anos que xa superaron a enfermidade e que se atopen nestes grupos prioritarios deberán agardar para ser vacinadas seis meses para ser vacinadasGrupo 3: Outro persoal sanitario e sociosanitario (alén do que está en primeira liña, xa vacinado). Inclúe persoal de odontoloxía, hixiene dental e outro persoal sanitario que atende de forma habitual a pacientes sen máscara e durante un tempo superior a 15 minutos. Persoal dos servizos de saúde pública que non se vacinou no grupo 2. Persoal sanitario e sociosanitario non vacinado con anterioridade, incluíndo servizos de axuda a domicilio, centros de menores e centros de día. Persoal sanitario dos seguintes colectivos: fisioterapeutas, terapeutas ocupacionais, persoal de oficinas de farmacia, protésicos dentais, logopedas e persoal de psicoloxía clínica. Traballadores de institucións penais.Grupo 4: Persoas consideradas como grandes dependentes (grao III de dependencia, é dicir, con necesidade de intensas medidas de apoio) que non estean actualmente institucionalizadasGrupo 5: Persoas de 80 e máis anos de idade. Posteriormente, e a medida que se vaia dispoñendo de vacinas incluiranse outros grupos de idade comezando polas persoas entre 70 e 79 anos.Grupo 6: Colectivos en activo cunha función esencial para a sociedade, entre eles integrantes das forzas de seguridade, persoal de emerxencias ou docentesFinalmente, na actualización da estratexia de vacinación tamén se decidiu que as persoas de menos de 55 anos que xa superaron a enfermidade e que se atopen nestes grupos prioritarios deberán agardar para ser vacinadas seis meses para ser vacinadas (contando dende o momento do diagnóstico). Así mesmo, as persoas de menos de 55 anos que se infectaron despois de ter recibido a primeira dose da vacina (que só ofrece unha protección limitada) deberán agardar seis meses para recibir a segunda dose.
PRAZA_10128
Os nosos concellos reciben 211,24 euros do Estado por cada veciño empadroado, mentres os restantes cobran 261,45
"Un paso adiante e outro atrás, Galiza, / e a tea dos teus soños non se move. / A espranza nos teus ollos se espreguiza. / Aran os bois e chove" (Penélope, X. María Díaz Castro).Ao analizarmos as tres principais fontes de financiamento dos concellos: tributos, transferencias e débeda, os galegos son os peor parados. Se escrutamos os últimos datos publicados, os de 2016, no tocante aos ingresos fiscais, por cada 100 euros que recadan os concellos en España, en Galicia ingresan 70. Os nosos concellos reciben 211,24 euros do Estado por cada veciño empadroado, mentres os restantes cobran 261,45. Se falamos de débeda, a dos axuntamentos españois é de 564,50 euros por veciño e a dos galegos só é de 154,80. En resumo, os concellos galegos ingresan 843,83 euros por alma e os españois, 1.119,10. Finalmente, por cada veciño desta esquina do mapa os concellos gastan 782,90 euros, mentres a media estatal está en 1.032,40.No ámbito das administracións locais a presión fiscal é menor en Galicia cá no resto do Estado, e iso acontece porque as nosas economías domésticas dispoñen de menos diñeiro. Se os concellos galegos deben menos a razón está en que a marxe de manobra para facerlle fronte aos préstamos é reducida. Mais, se a os concellos galegos reciben menos ingresos do Ministerio de Facenda, é porque o Estado nin é xusto nin solidario con nós.O principal factor que emprega o Goberno central, para transferirlle cartos aos concellos menores de 75.000 habitantes, é o da poboación. En segundo lugar está o esforzo fiscal. Os máis grandes reciben unha porcentaxe do IRPF e doutros tributos. Mais en ningún caso se teñen en conta os maiores gastos que deben soportar as arcas municipais galegas, por mor do asentamento da poboación (temos máis entidades có resto do Estado) e por causa do envellecemento, que tamén require máis recursos. E, como os nosos representantes son así de belixerantes, teñen pouca ansia de demandar a solidariedade do Estado, para minguar a discriminación que padecemos. Ah! Di o meu tío Lisardo que, amais de todo isto, os concellos do Lugo e Ourense sofren dobre discriminación, porque os da Coruña e Pontevedra contan con máis cartos, mercé a que as deputacións do litoral gozan de maiores ingresos. Velaí unha razón máis para comprender a penuria da Galicia interior en comparanza coa do litoral.
PRAZA_8478
O verdadeiramente interesante e sorprendente de A Arte da Guerra de Sun Zi, o clásico chinés que presentamos estes días na nosa lingua galega nunha coidada presentación de Teófilo edicións, é que a pesares de contar con máis de dous mil anos de antigüidade segue a ser unha obra plenamente actual.
O verdadeiramente interesante e sorprendente de A Arte da Guerra de Sun Zi, o clásico chinés que presentamos estes días na nosa lingua galega nunha coidada presentación de Teófilo edicións, é que a pesares de contar con máis de dous mil anos de antigüidade segue a ser unha obra plenamente actual. Éo pola acertada contundencia dos seus numerosos aforismos pero, sobre todo, porque forma parte dese legado cultural da milenaria civilización chinesa que exerce unha poderosa influencia na conduta política e na mentalidade dos dirixentes da potencia que está chamada a confirmarse como un dos países centrais do sistema internacional do presente século. Entre outras cousas tamén porque os dirixentes deste país conceden ao coñecemento da historia un papel central na súa formación gobernando cunha man no presente e outra no pasado. Por iso, para comprender ese país, que tanta importancia pode chegar a ter nos próximos anos, é indispensable mergullarse nesta obra. Se quixeramos sintetizar a esencia do seu pensamento habería que resaltar a aposta polo uso de métodos non violentos para acadar a vitoria nun conflito Sun Zi é un autor clásico que viviu na época previa a Confucio –algúns din que foi coetáneo del-. Se quixeramos sintetizar a esencia do seu pensamento habería que resaltar a aposta polo uso de métodos non violentos para acadar a vitoria nun conflito. A arte da guerra fundaméntase no engano, deixou escrito, e sempre é mellor gañar sen loitar. Gran parte da cultura estratéxica de China asenta na idea de que non é a forza material a clave do poder – o cal non quer dicir que sexa irrelevante- senón a moralidade, a intelixencia. E é a atracción cultural a forza máis eficaz para dobregar calquera hostilidade. Por iso a construción dunha civilización espiritualmente superior a todas as demais é o principio de calquera posición invencible e o fomento do seu poder sedutor a mellor garantía para unha convivencia en paz. Quen se dixo que inventou o poder brando?.... Se esta é unha obra de todos os tempos, obxecto de estudo nas academias militares de todo o mundo, en universidades e escolas de negocios, do punto de vista das relacións internacionais reviste o máximo interese nun momento de transición global como o actual. Son moitos os que en China comparan a fluidez do tempo presente coa época dos Reinos Combatentes (séculos V a III ane.) cando este libro tivo moita prédica, unha etapa onde diversos reinos pugnaban na China por facerse co poder central, a inmediatamente posterior a Sun Zi (Período da Primavera e o Outono) e previa á fundación de China por Qin Shihuangdi. Aquela viña sendo unha China internamente multipolar e o xogo de relacións e conflitos entre os actores emerxentes que non estaban aínda en condicións de superar o poder hexemónico suxire hoxe o estudo das súas accións para intuír e orientar os vectores de conformación da orde da posguerra fría. É por iso que os estrategos chineses levan anos estudando a conciencia aquel período histórico tratando de deducir as claves aplicables ao presente. Deng Xiaoping facía fincapé na súa principal contribución á política exterior da China post-maoísta: non hai que apresurarse, hai que agardar o momento. Esa paciencia, cultivada coas alianzas, é o que permite gañar no último momento A propia escola do PCCh e do seu Exército é ben debedora desta obra de Sun Zi. Mao recoñecía abertamente a súa influencia nas estratexias que lle permitiron vencer a un exército tan infinitamente máis poderoso como era o do KMT. Outro tanto podemos adiviñar cando Deng Xiaoping facía fincapé na súa principal contribución á política exterior da China post-maoísta: non hai que apresurarse, hai que agardar o momento. Esa paciencia, cultivada coas alianzas, é o que permite gañar no último momento. Observar a política exterior de China e contrastala coa Arte da Guerra de Sun Zi ilumina os seus contornos e axuda a entender mellor a razón e sentido último de moitos comportamentos. Nunca trece breves capítulos deron tanto de si. Que agora poidamos gozalos na nosa lingua galega é un motivo de satisfacción adicional. Xulio Ríos é autor da versión en galego de A Arte da Guerra de Sun Zi (Teófilo edicións, 2013).
PRAZA_14056
Este xoves volveron concentrarse diante das oficinas de NGB, desta vez na Coruña, e advirten que se "farán ver" nos actos políticos previos aos comicios do 21 de outubro, sobre todo os do PP. Un dos berros máis repetidos foi "Feijoo, o teu voto xa voou".
O verán adoita ser un tempo no que as protestas e reivindicacións arrefecen ou fican nun segundo plano co risco de ser esquecidas polos cidadáns menos implicados ou non directamente atinxidos por elas. Os colectivos de afectados polas preferentes tentou o contrario: incrementar a frecuencia e intensidade das súas protestas en agosto, con concentracións e manifestacións todas as semanas, e mesmo levando a protesta aos lugares de veraneo e a "aqueles sitios onde descansan os políticos e banqueiros", coma Sanxenxo ou Baiona. Este xoves volveron concentrarse diante das oficinas de NGB, desta vez na Coruña, e advertiron en varias ocasións que se "farán ver" nos actos políticos previos aos comicios do 21 de outubro, sobre todo os do PP. E é que o anuncio de que o Goberno central acatará as instrucións dadas por Bruxelas no memorando do rescate bancario, de xeito que non lles ofrecerá aos aforradores estafados máis do que as súas participacións preferentes custan no mercado, incrementou a indignación deste colectivo. Ademais, as criticas que dende hai meses viñan dirixindo contra Alberto Núñez Feijoo, pola súa xestión do proceso de fusión e crise das caixas, redobráronse nos últimos tempos por mor da insistencia do presidente da Xunta en que os afectados renunciasen á via xudicial e aceptasen a fórmula da arbitraxe. Parece que os actos do Partido Popular, de aquí ao remate da campaña electoral, van contar coa presenza constante e seguramente ruidosa destes colectivos Así pois, parece que os actos do Partido Popular, de aquí ao remate da campaña electoral, van contar coa presenza constante e seguramente ruidosa destes colectivos, que nos últimos días anunciaron a súa intención de facer presión na súa contra e de retirarlle o seu apoio, no caso das persoas que antes votaran por el. Este xoves, na Coruña, nunha concentración na que participou medio cento de persoas, o berro máis repetido foi: "Feijoo, o teu voto xa voou". Pode que a importancia disto non sexa tanto cuantitativa, aínda que a cifra de afectados é moi importante, sobre todo na provincia de Pontevedra. Pero dende logo suporá unha gran molestia para os populares, que terán que realizar unha campaña á contra, cunha sensación de conflitividade, e mantendo entre os pricipais temas de debate a crise da caixas, un dos seus principais fracasos esta lexislatura. Porén, os aforradores que teñen os seus cartos retidos tamén reparten críticas entre outros partidos. Agaprofi (Asociación Galega de Afectados por Productos Financeiros) lembrou este mércores, ao igual que a pasada semana fixera ADICAE, que neste momento "só queda a acción xudicial, nomeadamente individual, aínda que se pode un adherir á acción colectiva presentada pola Fiscalía do TSXG e que se está tramitar perante o Xulgado de Primeira Instancia nº 11 da Coruña, ou a reclamación arbitral perante o Instituto Galego de Consumo". En ambos os dous casos reclamando a nulidade do contrato por vicios do consentimento e a recíproca restitución de prestacións (capital por cotas de xuros que sobarden a media dos depósitos a prazo no periodo correspondente). E denunciou que "os partidos que están a defender outras solucións están a priorizar os seus intereses electorais a respecto dos intereses dos milleiros de aforradores concernidos". O decreto non incluirá a solución proposta polo Goberno para as preferentes Este xoves confirmouse, ademais, que o decreto de reforma do sistema financeiro, que este venres aprobará o Consello de Ministros, non incluirá a solución proposta polo Goberno para as preferentes, segundo adiantou o ministro de Economía, Luis de Guindos. O ministro engadiu que Bruxelas terá que dar o visto bo a cada pacto que acaden as entidades financeiras intervidas (Bankia, NGB, Banco de Valencia e Caixa Catalunya) para resarcir os afectados de participacións preferentes. De Guindos deixou ver que existe a posibilidade de que se canxeen preferentes por depósitos ou bonos, co que os aforradores poderían recuperar o 100% do investido. Porén, isto é contraditorio co indicado pola Comisión europea.
NOS_57742
Foi absolvido en primeira instancia, mas, após un recurso do fiscal, a Audiencia acaba de revogar a sentenza. Nun control rutinario da garda civil, en Almassora (provincia de Castelló), Carles Mateu Blay, catalán-falante, fora retido durante 3 horas por dous axentes por se negar a falarlles en español.
De acordo coa información que publica Vilaweb, Carles Mateu Blay foi condenado a 6 meses de prisión baixo o cargo de desobediencia á autoridade, con pena aparellada de retirada do carnet de conducir por espazo dun ano e un día. En primeira instancia, Mateu gañou o xuízo, mais o fiscal recorreu e a Audiencia Provincial acabou por o condenar. Mentres, a denuncia que o conductor apresentou contra os gardas civís por "denuncias falsas" foi arquivada. En declaracións a VilaWeb, Mateu afirmou: "É unha situación surrealista, pasei de ser a vítima a ser o delincuente". Os dous gardas civís conminaron a Carles Mateu a falarlles en español. El negouse, alegando os seus dereitos lingüísticos. A Audiencia estima que non, que non o fixo por salvagardar os seus dereitos, senón como unha estratexia para gañar tempo antes de se submeter ao control de alcoholemia. Realmente surrealista. O control deu negativo. Mateu xulga esta interpretación da Audiencia como "sinxelamente inacreditábel". O xuíz de primeira instancia deu a razón a Mateu despois de escoitar o testemuño dun garda civil que negou as acusacións vertidas polos seus compañeiros contra o condutor. Os feitos A historia decorreu un 21 de decembro do pasado ano, nun control rotineiro á saída de Almassora, provincia de Castelló, após as 17 horas. Mateu foi parado por unha patrulla da garda civil para un control de alcoholemia. El ía recoller un seu fillo á escola. "Decateime de que lles proía que eu lles falase en valenciano e non cambiase de lingua. Mais non me imaxinaba que puidese acabar así. De feito, podo dicer que me retiraron o carnet de conducir por ter falado en valenciano. É escandaloso e intolerábel", di. O condutor relata que desde ese momento os gardas civís se dedicaron a o vexar. Retivérono durante 3 horas. Cando chegou a casa, di, fíxoo "con tres denuncias falsas que suman mil euros e, curiosamente, doce puntos do carnet de conducir". Mentres estivo retido, e segundo o seu testemuño, aturou millenta insultos e mesmo máis dun empurrón. Obrigárono a agardar dentro do coche até a chegada do axente responsábel dos atestados. Cando este se personou no lugar, a parella que o retivera liscou. Este terceiro garda civil é o que prestou testemuño a favor do cidadán valenciano no xuízo realizado en primeira instancia. As denuncias interpostas polos dous gardas civís contra Mateu foron por, pretensamente, non levar o cinto de seguranza, non usar o chaleque reflectante e negarse a se submeter ao control de alcoholemia. "Caeume o mundo enriba. Era todo falso!! Díxenllo ao axente responsábel dos atestados e el contestoume que non dependía del, mas viu que eu levaba o chaleque posto e loxicamente o resultado das probas".
NOS_45745
O conselleiro de Facenda prevé un crecemento do PIB de 5,5% este ano.
O Goberno galego contará en 2022 cun orzamento de 11.571 millóns de euros, o que supón un lixeiro incremento de 0,7% a respecto do presente exercicio. Así o ratificou nesta quinta feira en rolda de prensa o presidente, Alberto Núñez Feixoo, nunha rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta na que tamén interveu o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez. As contas xa foron remitidas ao Parlamento da Galiza, que a vindeira semana deberá ratificalas. "Teremos un orzamento en tempo e forma en 2022, o que significa que a estabilidade política é rendíbel a nivel social e económico", dixo, ao tempo que salientou que, "de non ser pola sentenza do IVE de 2017, teriamos que baixar o teito de gasto por ese importe [211 millóns de euros que o Executivo estatal xa se comprometeu a devolver á Xunta]". Pola súa banda, Martínez cualificou estas contas de "prudentes e realistas", e preveu un crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) "de 5,5%" no presente ano, e "de 6%" en 2022. Bonificacións nas autoestradas autonómicas Por outra banda, o Consello aprobou novos descontos para as autoestradas de titularidade galega —AG-55, entre A Coruña e Carballo, e AG-57, a do Val Miñor—, que se traducirán nunha bonificación de 100% na viaxe de volta para as familias numerosas, así como a extensión ás 24 horas posteriores a un traxecto de ida do desconto de 25% na volta e de 50% na segunda volta para usuarios e usuarias recorrentes. Conferencia de Presidentes de Salamanca Noutra orde de asuntos, o mandatario galego adiantou que levaría á Conferencia de Presidentes que se celebra nesta sexta feira en Salamanca un decálogo de propostas para facer fronte á pandemia, que clasificou en tres eidos: sanitario, económico e demográfico. Así, entre outras cuestións, Núñez Feixoo exixirá o Estado que a Xunta xestione 50% dos fondos Next Generation, recuperar os niveis de subministro de vacinas de xuño, deseñar unha nova estratexia de vacinación e impulsar unha lei estatal de pandemias. A respecto deste anuncio, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, lamentou que o presidente acuda á conferencia "sen propostas para a Galiza e repetindo o argumentario do PP", ao tempo que demandou unha comisión bilateral Xunta-Estado para negociar as cuestións pendentes para o país.
NOS_29477
O doutor Adolfo Baloira (Pontevedra, 1966), xefe da unidade de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), atende Nós Diario para analizar o progresivo incremento de casos da Covid-19 na súa área sanitaria por mor, especialmente, do surto de Balears.
-Após case un mes cun descenso constante dos casos activos da Covid-19 tras o decaemento do estado de alarma, sumamos varias xornadas de ascenso continuado e unha repunta significativa da incidencia acumulada, tanto na Galiza en xeral como na área de Pontevedra-O Salnés en particular. Preocúpalle esta tendencia? Que aumenten os casos sempre é un problema, mais aínda seguimos en valores baixos. Aliás, esta repunta vemos que se debe esencialmente ás viaxes de fin de curso de estudantes a Balears. Medra a incidencia sobre todo entre as persoas menores de 30 anos, xusto o colectivo que aínda non está inmunizado. Cando comecen recibir a vacina, isto debería mudar. E a este respecto cómpre lembrar que a vacina non ofrece unha inmunidade inmediata, tarda perto dunha semana en facer efecto. Debemos estar vixilantes ante a expansión da variante Delta do coronavirus, moito máis transmisíbel que a británica. Quizais cumpriría comezar a vacinar todas as persoas de entre 20 e 40 anos por orde alfabética, porque o risco nesta franxa é o mesmo. -A respecto do 'macrosurto' xurdido en Mallorca, que sitúa Pontevedra e algúns concellos da súa comarca desde hoxe no nivel medio de restricións, cre que a situación está controlada ou teme que se poida agravar? Naturalmente existe o risco de que o virus se poida expandir por toda a comarca, mais semella estar controlado porque xa sabemos quen son as persoas infectadas e os seus contactos estreitos. Boa parte dos contaxios están asociados á variante Delta. Con todo, nos cribados feitos nos institutos está a acudir perto de 30% das e dos convocados, e isto pode ser perigoso. Debemos facer un chamamento á responsabilidade, porque o coronavirus só o deteñen as vacinas e os cribados. -Malia o aumento de casos (367 activos nestes intres), nos hospitais de Pontevedra e O Salnés hai só oito doentes hospitalizados en planta e tres na UCI. Como é o perfil das persoas ingresadas? Son poucos os pacientes que ingresan. A media de idade é baixa e normalmente están sen vacinar, quer porque aínda non lles tocou a quenda, quer porque non puideron acudir, mais en moi poucos casos é por tela rexeitado. É moi raro que veñan cunha doenza grave, na UCI estamos internando persoas sen unha gravidade extrema, máis ben facémolo por mera precaución. -Referíase vostede antes á predominancia que comeza ter a variante Delta. Dado que semella ser máis resistente ante unha soa dose da vacina, cre que podería entorpecer a campaña de vacinación? Un pequeno risco si que existe, porque o organismo humano tarda entre dúas e tres semanas após a inmunización en desenvolver unha taxa de anticorpos suficientemente protectora contra a Covid-19. Levamos un ritmo moi elevado de vacinación e isto é fundamental. Contra a variante Delta, unha soa dose de AstraZeneca supón unha inmunidade de perto de 30%, e coa segunda sobe até 90%. E, con Pfizer, a primeira ofrece 60% de protección e a segunda máis de 90%. Por iso é fundamental que as persoas que reciban a primeira dose se sigan comportando como se non estivesen vacinadas. É un erro pensar que cunha vacina somos xa inmunes e podemos levar unha vida totalmente normal. Cómpre que toda a poboación respecte as normas ditadas, sobre todo o distanciamento social. - É un risco reabrir o lecer nocturno? Após un ano de paro total, o lecer nocturno volveu operar na quinta feira, cunha capacidade máxima de 50%, coa obrigatoriedade do uso da máscara e do distanciamento social de 1,5 metros entre os diferentes "grupos burbulla" e coa hora de fechamento imposta ás 3 horas da madrugada. Porén, isto só se aplica nos concellos do nivel medio-baixo de restricións. Pontevedra, entre outros, terá que agardar. Para o doutor Baloira, que estes estabelecementos reabran non ten por que supor un incremento de casos, mais advirte: "É máis aconsellábel que as actividades nocturnas decorran ao ar libre que en locais fechados". Aliás, a respecto da inminente chegada de turistas pola tempada estival, afirma: "O turismo que vén á Galiza soe ser familiar, quere gozar da praia e da comida, mais o azar tamén vai xogar un papel importante".
NOS_40724
Un pequeno percorrido pola serra do Castrove entre A Armenteira (Meis), situado nas estribacións da cara oeste, mirando á ría de Arousa, e A Escusa (Poio) un pequeno asentamento na aba leste, coa ría de Pontevedra como fondo.
A serra do Castrove, orientada de nordeste a suroeste, separa as rías de Arousa e Pontevedra e delimita e domina a comarca do Salnés, pola que discorre na súa maior parte esta ruta, e cara á que se poden gozar amplas panorámicas, desde A Lanzada, O Grove, Cambados ou a Illa da Arousa até a serra do Barbanza, coa ría de Arousa como fondo. Paraxe: O Salnés / Concellos: Meis e Poio / Percorrido: De 3,5 a 7,3 km (lineal) / Dificultade: Media Por toda a serra hai numerosas pistas e carreiros polos que se poden facer percorridos a pé, en bicicleta ou en coche. Algúns están sinalizados e poden complementarse con desvíos a miradoiros e áreas de lecer. Propomos comezar na Armenteira, un lugar de relevancia histórico-artística rodeado de lendas, onde podemos aproveitar para visitar o mosteiro (de enorme interese arquitectónico) e a súa contorna; desde alí, pasada a Pousada, collemos unha pista que sobe á dereita e seguímola até pasar as últimas casas. Subimos polo carreiro que, deixando un regato á esquerda, remonta o seu curso. Máis adiante cruzámolo por unha pontella feita de madeira e seguimos até o punto no que o camiño xira á dereita para volver cruzalo; de alí mesmo sae un carreiro á esquerda que sobe até chegar a un camiño-pista. Collemos o camiño cara á dereita (costa arriba) até que se xunta cunha pista forestal; nela collemos á esquerda e seguímola até chegar a un depósito de auga que atoparemos á nosa dereita; alí podemos optar por subir polo "camiño" que hai antes do depósito e seguilo até chegar á beira do campo de golf e beireando o campo (deixándoo á nosa dereita) seguir o sendeiro que nos leva á Escusa, ou continuar camiñando pola pista até chegar a un punto no que a cruza un camiño e alí collemos o da esquerda, que despois dunha longa subida nos achega á outra punta do campo de golf; un pouco antes de acadar o feche do campo, un desvío á esquerda que remata no merendeiro da Escusa. A volta pódese facer polo camiño de ida ou combinar un co outro. Ao pé do depósito hai un camiño que baixa, con bastante pendente, que nos acurta un pouco o traxecto. A dificultade da ruta varía segundo os tramos: máis doado pola pista forestal e con graos de complexidade diferente nos outros percorridos, consecuencia, sobre todo, da inclinación do terreo. Esta ruta pode enlazar coa da Pedra e a Auga, que segue o rego da Armenteira até o Umia, ou con outras rutas polo monte Castrove. Tamén podemos facer un desvío para coñecer o petróglifo do Outeiro do Cribo.
PRAZA_17991
rescEU creará unha 'rede de seguridade' que establecerá, a nivel da UE, un número de capacidades operativas propias de protección civil ben definidas, como avións de extinción de incendios
rescEU creará unha 'rede de seguridade' que establecerá, a nivel da UE, un número de capacidades operativas propias de protección civil ben definidas, como avións de extinción de incendios En ningún dos últimos anos houbo tantos incendios forestais devastadores en Europa como nos veráns de 2017 e 2018. Estas catástrofes estiveron marcadas pola morte de decenas de persoas, por miles de hectáreas de bosque queimado e pola destrución e evacuación de poboacións, non só nos países do sur, como España, Portugal, Grecia, Francia ou Italia, senón tamén no norte do noso continente, como en Suecia, Letonia e o Reino Unido. Bombeiros e voluntarios valorosos loitaron contra as chamas e contra o tempo, e a tempada de incendios forestais de 2018 aínda non terminou. Hai unha conclusión clara: o cambio climático é real. É a nosa nova realidade, que non só intensificou o impacto dos incendios forestais nas rexións máis propensas a padecelos, senón que os provocou en zonas nas que non se produciron ata a data. Ningún país é inmune a esta nova realidade e ningún pode facer fronte a estas catástrofes naturais en solitario. Para responder a estes retos sen precedentes necesitamos unha formulación colectiva. Temos que ser audaces e estar mellor preparados. Temos que reforzar o sistema europeo de protección civil, o Mecanismo de Protección Civil da Unión Europea, e mellorar a nosa solidariedade. España solicitou axuda a través do Mecanismo de Protección Civil da UE tres veces desde 2006: para loitar contra incendios forestais en 2006 e para facer fronte á contaminación mariña en 2007 e 2011 España solicitou axuda a través deste Mecanismo tres veces desde 2006: para loitar contra incendios forestais en 2006 e para facer fronte á contaminación mariña en 2007 e 2011. Pero máis que un receptor de axuda, España proporcionou axuda aos demais e foi un actor europeo clave no ámbito da protección civil: España é o segundo Estado membro en canto a capacidades ofrecidas á 'reserva común voluntaria'. España mostrou gran solidariedade axudando a outros países a través do Mecanismo Europeo de Protección Civil, tanto dentro como fóra de Europa: Israel (2016), Chile (2017), Portugal (2017) e hai un par de meses, Grecia (2018). En particular, foi exemplar o apoio que España ofreceu a Portugal, este ano e o pasado. España é, sen ningunha dúbida, un activo socio europeo na protección civil. Este ano realizamos, a través do Mecanismo, o maior despregamento de capacidades ata a data para axudar a Suecia a combater os incendios forestais. Desde o momento en que solicitou axuda, o 16 de xullo, Suecia recibiu un apoio rápido de Italia, Francia, Alemaña, Lituania, Dinamarca, Polonia, Austria e Portugal, que ofreceron asistencia á loita contra incendios por terra e aire, na que foi a maior operación de protección civil europea contra incendios forestais da última década e a máis importante en termos de despregamento de persoal. Aínda que é moito o que o Mecanismo de Protección Civil da UE conseguiu, trátase dun sistema baseado en contribucións voluntarias dos Estados membros que alcanzou xa os seus límites, posto que, debido en grande parte ao cambio climático, as catástrofes multiplícanse e intensifícanse. A miúdo temos que facer fronte a múltiples crises en varios países ao mesmo tempo e, por iso, os Estados membros non sempre poden prestar asistencia a outros Estados membros nos momentos máis críticos, debido ás súas propias emerxencias. O Mecanismo de Protección Civil da UE activouse máis de 100 veces desde 2014. Máis da metade dos 32 casos do ano pasado foron solicitudes de axuda contra incendios forestais O Mecanismo activouse máis de 100 veces desde 2014. Máis da metade dos 32 casos do ano pasado foron solicitudes de axuda contra incendios forestais. Agora sabemos por experiencia que o sistema voluntario actual debe reforzarse. Por esta razón a Comisión Europea presentou, en novembro de 2017, unha proposta para reforzar a capacidade de Europa de facer fronte ás catástrofes: esta proposta chámase rescEU. rescEU é a nosa resposta para superar as limitacións do sistema actual e facer fronte ás consecuencias do cambio climático. É unha 'rede de seguridade' que establecerá, a nivel da UE, un número limitado de capacidades operativas propias ben definidas, como avións de extinción de incendios. Ao dicir 'a nivel da UE' refírome aos activos descentralizados nos Estados membros próximos ás zonas de alto risco, activos que só se despregarán cando o solicite un Estado membro. rescEU baséase no noso sistema actual e complementará, non substituirá, as capacidades nacionais. Trátase dunha 'rede de seguridade' para circunstancias excepcionais. Ao mesmo tempo, a UE achegará, a través de rescEU, máis incentivos financeiros para que os Estados membros reforcen as súas propias capacidades nacionais. Todo iso é unha clara mostra do valor engadido da UE, ao favorecer as economías de escala. Pero rescEU non é só unha resposta, pois incide tamén na prevención e na preparación. Este é un alicerce central da nosa proposta, que para min é clave porque creo firmemente que a solidariedade ten que ir da man da responsabilidade nacional. A través de rescEU estamos a pedir aos Estados membros que fagan da prevención e a preparación unha prioridade A través de rescEU estamos a pedir aos Estados membros que fagan da prevención e a preparación unha prioridade. Todos os Estados membros deben desenvolver unha avaliación do risco e unha planificación de redución do risco coherentes, reforzando as súas capacidades de prevención e preparación. Para iso contarán co noso apoio e axuda porque rescEU pretende fomentar a cultura da prevención entre os Estados membros e en toda a UE. España, como calquera outro Estado membro, non estará soa cando se produza o próximo incendio forestal ou outro desastre natural. A solidariedade europea está en marcha e a través de rescEU será máis forte. Isto é o que os cidadáns europeos esperan de nós: que demos un verdadeiro significado ao lema 'unha Europa que protexe'. *Artigo de opinión de Christos Stylianides, comisario europeo de Axuda Humanitaria e Xestión de Crises publicado orixinariamente na web do Eixo Atlántico Publicidade
NOS_43645
Conversamos coa voz de Ex-tensión agraria, Hervy Dolfeso. Esta banda de punk-rock indíxena abrirá o escenario do Castañazo Rock 2013. O festival que acolle Chantada cada outono. Xa podes escoitar Parcelaria en Radio Sermos
Chegan as castañas. O Magosto. E o Castañazo Rock. Este festival, que cumpre xa once anos, volverá ao Recinto do gando de Chantada o vindeiro día 2 de novembro. Após fechar os grupos que tocarán, falamos coa última das bandas en se incorporar. Ex-tensión agraria. Rodrigo, Hervy, é a voz de Ex-tensión agraria, o grupo que completa o cartaz do Castañazo Rock 2013 após o concurso de novos creadores impulsado pola organización do festival. Xunto con Nacho, Adrián, Xermán e Martín recuperaron esta banda chairega que fora creada a finais dos '80 "por un grupo de colegas", como Hervy lembra. Aínda sen disco mais con concertos de abondo nas costas e, sobre todo, moita ilusión, din estaren cheos de "ledicia" por poder partillar escenario con bandas como Lehendakris Muertos, Nao, Che Sudaka e Bongo Botrako. Parabéns de antemán... Obrigado! Como recibistes a noticia de que tocaríades no Castañazo rock? Bon, a noticia recibímola xenial. Moi contentos. Temos moitas gañas. É un festival do que gostamos moito para tocar. Foi unha grande ledicia o resultado do concurso. O Castañazo é un festival deses ao que levas anos indo. Comezaron grupos moi grandes nese escenario. Para xente coma nós poder tocar en Chantada é un salto enorme. Imaxino que é un luxo partillar escenario con grupos como Nao, Lehendakaris Muertos...O cartaz é espectacular. Grupos como Lehendakaris aos que eu escoito desde hai moito tempo e teño como referente, poder tocar con eles é a hostia! Desenvolvestes unha importante campaña nas redes sociais á procura de apoios, pensabades que iades ser o grupo máis votado?Que va! Ao comezo estas cousas comezan coma unha brincadeira, mais ao final implicouse moita xente e conseguimos máis de 1.000 gostos. Xa sabes como funciona isto do Facebook. Sorprendeunos infinitamente. Ningún de nós contaba con ser o grupo máis votado. Nen nós nen os do festival [ri]. "Ningún de nós contaba con ser o grupo máis votado" Que é iso do punk rock indíxena?Punk-rock é o que queremos facer. Algo do que sae. E o do indíxena é que todos o somos. Todos somos indíxenas dalgures e nós estamos moi orgullosos de sermos indíxenas de onde somos, por suposto. [Ex-tensión agraria nace na Terra Chá]. Poderiamos consideralo unha evolución do rock bravú dos '90?Para min todo evolúe do bravú na Galiza. Todos medramos escoitando a música que saía no Xabarín e a influencia deste movimento reside en todo, non só na música nen tampouco nos xéneros que evolúen del. A súa influencia esténdese para alén diso. No voso primeiro vídeo, Pagaralo coa salú, falades da estafa das preferentes...O vídeo foi moi caseiro [ri]. O pelotazo foi escoitar a Argimiro [A. Martínez é membro da Plataforma de estafad@s polas preferentes no Baixo Miño] cando descargou a súa carraxe contra o director da oficina de NovaGalicia Banco e a Garda Civil após levar o pao que levaron. El propio expresou con moita forza a ira que sofren todas as persoas atinxidas por esta fraude. Nós en Pagaralo coa salú o que quixemos foi recoller o seu testemuño. "Todo evolúe do bravú en Galiza pois medramos escoitando a música do Xabarín" É un aviso á banca?[Ri ás gargalladas]. Aviso á banca? Non sei como responder... Pagarano, pagarano... Mais Pagarano coa salú é só unha maneira de expresalo, non quere dicir nada. Do que estamos certos é de que non teñen que pagar nada. Teñen que devolver o que non é seu. Ollando o retrovisor, Ex-tensión agraria xurdiu alá polos '90 na vila de Meira, por que decidistes recuperar o nome?Bon, foi algo de nostalxia. Era un grupo de xente de aquí [fala de Meira, un concello do interior de Lugo]. De amigos e coñecidos. Moitos de nós estabamos diariamente con eles. Facíanos ilusión recuperar un grupo co que o pasabamos moi ben de rapaces. Visto o éxito acadado. para cando o primeiro disco?O primeiro disco está perto. Mais non podemos dicir cando para non rachar coa sorpresa. [Ri].
NOS_42464
O presidente do Banco Central Europeo (BCE) toma partido a prol da intervención directa de Bruxelas nos orzamentos estatais e avoga porque os estados transfiran aínda máis soberanía "a nivel europeo"
"É a soberanía, parvo". A frase de Bill Clinton ("É a economía, parvo") en que achacaba ao seu rival electoral republicano cal era o tema fulcral que cumpría ter en conta ben podería manterse agora, coa soberanía como centro. O presidente do Banco Central Europeo (BCE) vén de deixar clara a cuestión: "Moitos gobernos deben decatarse que perderon a súa sobernía nacional hai tempo". As declaracións do mandatario fanse ao abeiro da defensa que este fai de que Bruxelas interveña directamente nos orzamentos dos estados membros. As contas que constitúen a trabe de ouro do proxecto económico dos executivos estatais pasarían, xa que logo, polas tesoiras e decisións de Bruxelas. A sobernaía nacional, baixo mínimos. Restaurar a confianza Mario Draghi afirmou que está "totalmente a favor" desta intervención e pide aos gobernos "que a consideren seriamente". O presidente do BCE considera que "para restaurar a confianaza na Eurozona, os países deben transferir as súas soberanías a nivel europeo". Só así, insiste, poderían os estados gañar poder fronte aos mercados. O presidente do Banco Central Europeo, Mario Draghi, tamén falou da compra directa de débeda soberana. Draghi vincula ese paso co feito de que os estados a quen se lle compre a débeda se sometan a revisións periódicas e constantes das medidas que se teñan que desenvolver no marco dos programas de rescate que soliciten. "Só mercaremos débeda deses países se estes aceptan estritas condicións e comprobaremos que estas se cumpran", manifestou Draghi, que engadiu na entrevista que no caso do estado en cuestión non seguir ese guión, "non se reanudará" o programa de compra da débeda.
NOS_54890
Pasaría de 41 a 37 escanos no marco dun hemiciclo máis fragmentado.
A empresa Sondaxe vén de publicar a primeira enquisa electoral cos comicios do 25 de setembro como albo. En total 1.450 enquisas telefónicas e persoais cunha marxe de erro do 2,63% que prevén unha pequena caída do Partido Popular que pasaría de 41 escanos actualmente a 37. A formación liderada por Alberto Núñez Feijóo sería a máis votada en todas as circunscricións mais podería perder o goberno galego. A enquisa, cunha marxe de erro do 2,63%, realizouse entre o 20 de xullo e o 3 de agosto e está composta por 1.450 entrevistas O hemiciclo que debuxa a empresa de inquéritos incorpora novas forzas con representación parlamentar e maior fragmentación entre a bancada esquerda. Neste senso, a segunda forza sería o PSOE con 15 asentos --fronte aos 18 actuais-- seguido de En Marea (12) e Podemos (6). A enquisa foi realizada tomando como referencia unha concorrencia por separado de ambas as dúas forzas políticas. En Marea, unicamente ficaría por diante dos socialistas na circunscrición da Coruña. Pola súa banda o BNG obtería 5 escanos, dous menos que nas eleccións de 2012, o 7,4% do voto e representación nas catro circunscricións. A enquisa realizouse entre o 20 de xullo e o 3 de agosto, a máis de 50 días da cita electoral e coas formacións políticas --agás o BNG-- sen elixir candidaturas nen programa.
NOS_43724
Trece funcións para escolares formarán unha das principais liñas de programación da 24ª edición do festival Galicreques, que decorrerá do 12 ao 20 de outubro en Compostela. "A cidade será un ano máis gran referente para o xénero escénico dos títeres", afirma a asociación organizadora, Barriga Verde.
As compañías chegarán de Galiza, o Estado español -Valencia e Madrid- e Arxentina. "Reeditamos o duplo compromiso de achegarlles aos novos espectadores o xénero escénico dos títeres e de creación de novos públicos para a escena", engade Barriga Verde. O ciclo Teatro Escena con clase comezará o 14 de outubro co Brancaneves, a cargo de Tropos Teatro (Fudnación SGAE). Títeres Cachirulo seguirá despois con Camiños de aventuras (Teatro Principal). E despois A toupiña que quería saber quen lle fixo aquilo na cabeza (centro socio cultural Santa Marta), da Xanela no Maxín. Para o 15 de outubro, as pezas será A carteira de Augasclaras (Fundación SGAE), de Brincadeira, e un segundo pase da Toupiña. Cincenta (Fundación SGAE), de Danthea Teatro, e Pazzzzzz (Teatro Principal), de La Mar de Marionetas será a programación do 16 de outubro. A carrapuchiña (Fundación SGAE), de Tres Tigres Teatro, pasarase o 17 de outubro. E o 18, Teatro La Estrella pechará o ciclo na SGAE cos Músicos de Bremen, e a coprodución Cronopios, de Cachirulo, Tres Tigres e Chachakün, o do Principal. Todas estas obras diríxense ao estudantado de Infantil e Primaria. Para mozos e mozas máis maiores -ESO e Bacharelato- haberá Varioleto, peitiño libertario (15 de outubro, Teatro Principal), de La Pelela Títeres; e Ultramarinos Finisterrae (17 de outubro, Teatro Principal), de Títeres Alakrán. A programación completa do 24º Galicreques coñecerase "nas vindeiras semanas".
NOS_13626
O líder do PP, Pablo Casado, contesta na dirección do partido os eixos defendidos nos últimos días por Cayetana Álvarez de Toledo.
"Grazas por todo, Cayetana, esta será sempre a túa casa e podes contar comigo para o que queiras". Con estas palabras dirixiuse o presidente do Partido Popular, Pablo Casado, a Cayetana Álvarez de Toledo durante a xunta da Directiva Nacional do PP esta quinta feira, 20 de agosto, logo de que na segunda Casado a substituíra como portavoz do grupo no Congreso. O líder da oposición puxo no seu lugar Cuca Gamarra (de procedencia marianista e avalista no anterior Congreso de Soraya Sáenz de Santamaría para liderar o PP). Casado reivindicou as substitucións dentro do equipo porque o partido debe ter a "porta ancha" e ser a "casa común" do centro dereita. A Directiva Nacional do PP ratificou os novos nomeamentos dentro da cúpula por unanimidade. A portavoz destituída, De Toledo, asistiu á reunión (que foi telemática) na súa condición de deputada, mais non pediu a palabra. O presidente do PP, durante a súa intervención, foi replicando as posicións disidentes que De Toledo defendeu nos últimos días. Así, Casado pediu fechar filas na defensa do rei, logo de que a ex portavoz popular no Congreso criticase a fuxida do emérito do Estado español. Casado tamén rexeitou que o seu partido teña que formar parte da "gobernabilidade de Pedro Sánchez" e reivindicou que son a "alternativa", negando así que poidan ser "muleta" no Executivo. Desta maneira, Casado quitou de enriba da mesa a posibilidade de pactar os Orzamentos Xerais do Estado. Así respondeu a De Toledo, quen expresou nunha entrevista a idoneidade de estudar un Goberno "de concentración". "Ninguén aspira aquí a ser ministro de Pedro Sánchez". Con todo, a táctica de apostar por unha comunicación máis moderada coa substitución de De Toledo contrasta coa designación na Directiva do rexedor de Badalona (Catalunya), García Albiol, como presidente do comité de alcaldes do PP. Trátase dun posto novo creado para el. Albiol, recoñecido polas súas expresións xenófobas, foi mesmo sinalando en 2018 no informe da Comisión Europea contra o Racismo e a Intolerancia polas súas manifestacións racistas, vinculando o mundo musulmán co terrorismo e as persoas romanesas e xitanas coa delincuencia. Ayuso esquiva a folga A presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, e o presidente galego, Núñez Feixoo, gabaron os cambios no PP e amosáronse preocupados polo inicio do curso escolar, exixindo ao Goberno español realizar "canto antes" a conferencia de Presidencias. Con todo, non se posicionaron nin o primeiro sobre as protestas da comunidade educativa contra o protocolo da Xunta no ensino nin a segunda sobre a folga convocada nas aulas de Madrid.
NOS_26987
A declaración de impacto ambiental que a consellaría de Medio Ambiente vén de emitir é "un copia e cola" do plan presentado pola compañía canadense que deixa a protección do medio ambiente "á boa fe" de quen explotará a mina
Contra a declaración de impacto ambiental que a Xunta vén de conceder á empresa canadense Edgewater para que explote nos montes de Cabana de Bergantiños unha mina a ceo aberto que ocupará a superficie equivalente a 700 campos de fútbol pronunciáronse nesta terza tanto a asociación ecoloxista Adega como a plataforma veciñal en defensa de Corcoesto. Ambos colectivos cadran ao se queixaren de que o PP asume como propios os argumentos presentados pola empresa no proxecto que lle entregaron, sendo a declaración de impacto --de aquí en diante DIA-- un "corta e cola" daquel documento en que as cuestións ecoloxistas fican relegadas "á boa fe" da empresa. Din que a consellaría de Medio Ambiente obviou as alegacións presentadas pola plataforma veciñal e por multitude de colectivos ecoloxistas, como Verdegaia ou a propia Adega, e non tomou en consideración tampouco que os terreos que queren para a explotación mineira ocupan espazo protexido. Tampouco se lle prestou atención ao estudo do CSIC e a U-Vigo en relación a que a vella mina de Corcoesto duplicara xa os niveis de arsénico na auga do río Anllóns aínda usando un sistema de galerías subterráneas e sen empregar o cianuro para separar o ouro das rochas. A Xunta olla cara o outro lado tamén respecto deste informe, e respecto da resolución do Parlamento europeo con data do 5 de maio de 2010, en que se prohibe o uso do cianuro na actividade mineira nos territorios que fan parte da Unión Europea. Con esta DIA positiva que o departamento que dirixe Agustín Hernández vén de redactar, a Xunta estima que é "compatíbel" esta actividade coa protección dos valores naturais e da saúde humana, aínda que todos os estudos se posicionan en contra do que Adega cualificou como "bomba ambiental" e a Sociedade galega de historia natural comparou con Aznalcóllar, cando a balsa propiedade da empresa mineira de capital suizo Boliden rachou e liberou o seu contido no parque natural de Doñana. En Corcoesto, a balsa mineira de Edgewater situarase a 140 metros dun espazo natural protexido, o LIC do río Anllóns, e a empresa non terá que asinar seguro ningún de responsabilidade civil para responder polos danos que poida causar a explotación mineira. O estudo de impacto en que se valora o patrimonio socio-económico dos tres concellos afectados --Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco-- non chegou tampouco a se facer nunca.
PRAZA_9090
A Xunta impulsa unha lei de rehabilitación da que agora salienta que facilitará a ocupación pública de inmobles tras cambios similares introducidos na última década en ámbitos como a loita contra incendios, a implantación de empresas ou as piscifactorías
A Xunta impulsa unha lei de rehabilitación da que agora salienta que facilitará a ocupación pública de inmobles tras cambios similares introducidos na última década en ámbitos como a loita contra incendios, a implantación de empresas ou as piscifactoríasHai agora dez anos, en febreiro de 2009, a poucos días das eleccións autonómicas que levarían a Feijóo á presidencia da Xunta, uns pasquíns comezaron aparecer en mitins do PP en Ourense alertando de que se o bipartito de PSdeG e BNG que daquela gobernaba Galicia repetía, "pódenche quitar as túas terras e darllas a outros coa escusa de que non as traballas". "O PSOE e o BNG queren quedarse coas túas terras", aseguraban aqueles textos, tras críticas previas de cargos populares contra o que consideraban políticas "da Unión Soviética". Neste tempo, ese discurso do medo volveu ser empregado polo PP noutros períodos electorais. Porén, tras chegar á Xunta, Feijóo leva unha década apostando polas expropiacións con reformas legais que as facilitan en múltiples ámbitos, a última o pasado xoves coa remisión ao Parlamento do seu proxecto de lei de rehabilitación urbana, da que o propio Goberno galego salienta que "abre a posibilidade" da "urxente ocupación" dos inmobles que considere abandonados.Esa circunstancia, a do "abandono" por parte dos seus titulares, era considerada en 2009 naqueles panfletos electorais unha "escusa" do bipartito de socialistas e nacionalistas para impedir á cidadanía "vender e mercar as túas fincas libremente". A medida contra a que se dirixían aquelas críticas pretendía penalizar aos propietarios de terras situadas en zonas de especial interese agrario que as mantivesen abandonadas para así incentivalos a cultivalas ou que estas pasasen a formar parte do Banco de Terras de Galicia (Bantegal). Algo similar foi o que acabou manténdose na lei de mobilidade de terras aprobada dous anos máis tarde, en 2011, polo propio Goberno de Feijóo, que insistiría nesa liña de intervir en predios abandonados a través da expropiación, da ocupación temporal ou da intervención puntual neles en leis posteriores como a de estrutura agraria ou as diversas modificacións introducidas na de loita contra os incendios forestais, ámbito no que se chega a contemplar a expropiación para terreos sen limpar.Nestes dez anos a Xunta non só apostou por flexibilizar a expropiación e a ocupación de terreos cunha motivación agrícola ou forestal senón tamén para a súa posterior xestión por empresas privadasPero nestes dez anos a Xunta non só apostou pola expropiación e a ocupación de terreos cunha motivación agrícola ou forestal. O Goberno de Feijóo comezou abrindo a man en 2009, ao pouco de chegar á Xunta, coa acuicultura, facilitando a expropiación de terreos por parte da administración para que se instalen piscifactorías, e foi estendendo ese modelo de expropiación pública de predios a particulares para a súa posterior xestión privada por parte de empresas a todo tipo de ámbitos a través da denominada lei de iniciativas empresariais aprobada hai un ano. As modificacións legais en múltiples ámbitos na liña de facilitar as expropiacións ou flexibilizar os posibles usos privados posteriores deses bens expropiados continúan, con pequenas modificacións en artigos de diversas leisAs modificacións legais en múltiples ámbitos na liña de facilitar as expropiacións ou flexibilizar os posibles usos privados posteriores deses bens expropiados continúan, con pequenas modificacións en artigos de diversas leis. Hai só uns poucos días, coa lei de acompañamento dos orzamentos para este 2019, entrou en vigor unha modificación legal que permite que en determinados casos de expropiacións realizadas para facilitar ordenacións urbanísticas impulsadas pola iniciativa pública, "a adquisición dos bens non implicará a súa afectación implícita a un uso xeral ou a un servizo público". A Xunta tamén ten en tramitación unha nova lei de ordenación do territorio na que se mantén, como ata agora, a expropiación como sistema de obtención dos terreos necesarios para os denominados proxectos de interese autonómico, nalgúns casos promovidos pola iniciativa privada, pero introduce como novidade a posibilidade de que ese promotor poida posteriormente subrogar o seu dereito nun terceiro interesado. "Quitar as túas terras e darllas a outros coa escusa de que non as traballas" era un dos medos que azuzaban aqueles panfletos contra PSOE e BNG de hai dez anos. Agora o propio Goberno de Feijóo presume nas súas notas de prensa da posibilidade de declarar a urxente ocupación de inmobles que considere abandonados.
PRAZA_8978
Unha investigación amosa que o risco de síndrome de morte súbita do lactante se multiplica por cinco cando o bebé dorme cos seus pais na mesma cama, aínda que non fumen nin beban alcol
Durmir co bebé, aínda que os pais non fumen nin consuman alcol, multiplica por cinco o risco de síndrome de morte súbita do lactante, o falecemento repentino dun neno menor dun ano sen ningunha causa aparente. Algúns países, coma EEUU, xa recomendaban os pais non durmir co seu bebé na mesma cama, pero outros, coma Reino Unido e Australia, limitaban este consello a proxenitores fumadores ou consumidores de alcol, causantes de máis situacións de asfixia para o pequeno. Agora, o maior estudo até a data amosa que o risco se multiplica en todos os casos. "O noso modelo predí que o 88% das mortes ocorridas mentres se compartía cama probablemente non sucederían se o bebé se colocara boca arriba nun berce xunto á cama dos seus pais" "O noso modelo predí que o 88% das mortes ocorridas mentres se compartía cama probablemente non sucederían se o bebé se colocara boca arriba nun berce xunto á cama dos seus pais", aseguran os autores do traballo, dirixidos por Bob Carpenter, da Escola de Hixiene e Medicamento Tropical de Londres (Reino Unido). Os científicos relacionan estas mortes con obstrucións das vías respiratorias do bebé, coa inhalación dos gases expirados polos seus pais e coa calor excesiva. O estudo, que se publica este martes na revista British Medical Journal Open, inclúe datos de 1.472 casos de síndrome de morte súbita do lactante. Os asinantes recalcan que o neno pode estar na cama cos seus pais mentres lle dan de mamar ou simplemente para darlle agarimo, pero debe durmir sempre no seu propio berce. A síndrome é unha das principais causas de mortalidade de nenos menores dun ano nos países desenvolvidos. Só en EEUU morren cada ano máis de 2.000 bebés por esta causa, segundo os datos dos Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades. As súas causas exactas non se coñecen, pero os expertos ofrecen sinxelos consellos para reducir drasticamente o risco, como pór sempre o bebé a durmir boca arriba, só e sobre a superficie firme do seu berce, cunha temperatura ambiente duns 22 graos. Unha postura firme contra o coleito A pesar das recomendacións en contra de moitos pediatras, existe un movemento a favor de que os bebés durman na mesma cama cos seus pais A pesar das recomendacións en contra de moitos pediatras, existe un movemento a favor de que os bebés durman na mesma cama cos seus pais. Un dos seus principais expoñentes é o libro Durmir co teu bebé: unha guía para pais sobre o coleito, escrito polo antropólogo James Mckenna, da Universidade de Notre Dame, en Indiana (EEUU). O equipo de Carpenter achaca a este lobby que o 50% dos casos de síndrome de morte súbita do lactante ocorran xa co bebé durmindo na mesma cama que os seus proxenitores. No período estudado por Carpenter, 1987-2003, esta porcentaxe reducíase ao 22% nos países analizados (Reino Unido, Nova Zelandia, Alemaña e outros países europeos). "As mensaxes actuais que afirman que o coleito é só perigoso se vostede ou a súa parella son fumadores, estiveron bebendo alcol ou tomando drogas que causan somnolencia, ou están moi cansos ou o bebé é prematuro ou de baixo peso ao nacer, non son efectivas", subliñan. Estas situacións relacionáronse tradicionalmente cun maior risco de asfixia. En España hai 0,5 casos de síndrome de morte súbita do lactante por cada 1.000 bebés. A cifra era, até hai pouco máis dunha década, catro veces maior, pero reduciuse grazas a campañas con sinxelas recomendacións, como a necesidade de que o bebé durma boca arriba A coordinadora do Grupo de Traballo para o Estudo da Morte Súbita Infantil da Asociación Española de Pediatría, Isabel Izquierdo, aplaude as recomendacións do novo estudo. "Este traballo é moi importante, porque o coleito, o durmir cos nenos na mesma cama, é un factor de risco de morte súbita. O neno ten que durmir no seu berce", opina. En España, explica, hai 0,5 casos de síndrome de morte súbita do lactante por cada 1.000 bebés. A cifra era, até hai pouco máis dunha década, catro veces maior, pero reduciuse grazas a campañas con sinxelas recomendacións, como a necesidade de que o bebé durma boca arriba.
NOS_29785
"Bolivia está a ser albo dun asalto ao poder do pobo", dixo Evo Morales desde México, país que acolleu o ex presidente. A senadora non tivo o apoio do Parlamento para designarse nova mandataria do país.
A senadora boliviana Jeanine Áñez, de 52 anos, dura opositora do ex presidente Evo Morales, asumiu a presidencia provisional do país embora a falta de quórum no Congreso. As e os deputados polo Movemento para o Socialismo (MAS) boicotearon o acto e o ex presidente acusouna de ser "unha senadora golpista da dereita". Elixida polo conservador partido do Movemento Social Democrático, Jeanine Áñez foi a vicepresidenta segunda do Senado. Apresentouse para a sucesión do presidente após a dimisión o domingo, de Morales, do vicepresidente e dos restantes líderes do Senado e da Cámara de Representantes. Na súa intervención inaugural, Jeanine Áñez dixo que Bolivia non podería ficar sen liderado e prometeu organizar eleccións canto antes. "Ante a ausencia permanente do presidente e do vicepresidente, e como presidenta da Cámara dos Senadores, asumín inmediatamente a presidencia segundo o previsto na Constitución", dixo Áñez. Após tomar posesión, dirixiuse ao Palacio de Goberno portando unha biblia de gran tamaño. "A biblia volve a Palacio", reivindicou. Morales denuncia un "asalto ao pobo" Desde México, país que lle deu refuxio, Evo Morales condenou os actos que levaron á súa dimisión e á proclamación de Jeanine Áñez como presidenta interina e cualificounos coma "o golpe máis nefasto da historia". "Esta proclamación socava os artigos 161, 169 e 410 da Constitución, que determinan a aprobación ou a desaprobación dunha dimisión presidencial, a sucesión constitucional nas presidencias do Senado e a Cámara de Representantes e a supremacía da Constitución", dixo Morales. "Bolivia está a ser albo dun asalto ao poder do pobo", acrecentou.
NOS_4605
A pesar de que aínda nin o baño nin tomar o sol están autorizados, parécenos unha boa opción de lecer para esta fin de semana presentarvos cinco dos currunchos máis fermosos e descoñecidos do noso país.
O bo tempo está lanzando a moitas galegas ás praias para aproveitar as horas autorizadas de deporte e paseo. A pesar de que aínda non están autorizados nin o baño nin tomar o sol, parécenos unha boa opción de lecer para esta fin de semana presentarvos cinco dos currunchos máis fermosos e descoñecidos do noso país: Cala Hawái (Pontedeume) Denominada oficialmente como Praia de Centroña, atópase a aproximadamente catro quilómetros do núcleo urbano de Pontedeume, na ruta CP-4803. Pequena –uns 300 metros-, a súa fina area resulta ideal para deixar estampadas as nosas pegadas dando voltas unha e outra vez. Con Negro (O Grove) Esta praia aberta está situada na parroquia de San Vicente do Grove, nunha contorna case paradisíaca, entre rocas en forma de cuncha, ideal para as persoas que máis valoras e respectan a natureza e a tranquilidade. Praia dos Espiños (A Illa de Arousa) No marco do Parque Natural de Carreirón, resulta unha das máis espectaculares entre as moitas que existen na Illa de Arousa. Ideal para un paseo entre ameixas, berberechos e a rica fauna e flora que poboan a zona. Arealonga (O Vicedo) Praia longa (1.300 metros) e ben abrigada do vento, a súa area branca e fina compite coas espectaculares vistas da ría. praia grande e abrigada de area branca e fina, desde a cal se ve toda a ría. Conta cun respaldo boscoso e unha zona de paseo que comunica a praia coa desembocadura do río Sor e as famosas tres pontes sobre o mesmo. Praia de Ancoradouro (Bueu) Como está prohibido o baño, non teremos que preocuparnos pola forza das ondas nin das mareas. Bastante illada, a praia da Ancoradouro é un pequeno tesouro dos moitos que agocha o Concello de Bueu.
NOS_45655
Cristina Pato (Ourense, 1980) é gaiteira, pianista e docente. E o vindeiro curso académico, o 2019-2020, ocupará a cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española da Universidade de Nova York. Trátase da primeira vez que o fai unha música.
En anos anteriores sentaron á fronte da institución escritores como Juan Goytisolo, Francisco Ayala ou Antonio Muñoz Molina. Tamén hispanistas como John Elliott ou Raymond Carr. A actividade de Pato na academia estadounidense consistirá en "conferencias e eventos públicos", ademais de nunha clase sobre "as músicas invisíbeis do norte de España" en que inclúe a galega, a vasca ou a sefardí. Nos últimos tempos, a artista ourensá investiga as conexións entre música e neurociencia, a memoria cultural ou a situación das linguas minorizadas no Estado español. Todas estas materias tamén serán obxecto de charlas e aulas. Pato foi escollida por un comité de profesores de Estudos Hispánicos da mencionada universidade. Creada en 1983, a cátedra Juan Carlos I procura "incorporar eminentes persoeiros que desenvolven un programa académico ao longo dun ano sobre diferentes materias" arredor do Estado español "para ofrecer unha formación complementaria á impartida na propia universidade".
NOS_12261
A Xerencia da área sanitaria de Vigo conmemorou onte o sétimo aniversario da inauguración do hospital Álvaro Cunqueiro. A obra e unha parte da xestión foron adxudicadas a unha unión temporal de empresas (UTE) liderada por Acciona e polo grupo Puentes, presentando un importante sobreprezo final. A Xunta da Galiza acumula a día de hoxe unha débeda por esta actuación de 918,19 millóns de euros.
As dúbidas pairan sobre o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo desde o momento en que foi adxudicada a súa construción e xestión, das que se encargou a UTE Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo S.A., conformada pola empresa madrileña Acciona, propiedade da familia Entrecanales, titular de 43% do capital, a chinesa Puentes, propietaria de 23%, a francesa Veolia, dona de 17% e a, tamén madrileña Concessia, con 17% das participacións. O capital da mercantil mudou en diferentes ocasións desde a súa constitución. Á volta de novembro de 2020, Acciona desprendeuse do seu capital, vendendo as súas accións por 484 millóns de euros á compañía francesa Meridiam, titular da xestora de investimentos Bestinver. Uns meses antes, en xullo de 2019, Concessia desfíxose da súa participación, adquirida polo fondo luxemburgués River Rock, especializado na xestión de infraestruturas levantadas pola fórmula público-privada. Incumprimentos na obra As obras finalmente executadas non se corresponderon co proxecto licitado polo Goberno galego. A este respecto, en 2016, o economista, auditor e avogado da Asociación para a Defensa da Sanidade Pública Antón Beiras sinalou a Sermos Galiza, que o hospital contaba con 620 camas e 11 quirófanos menos dos previstos. Así, o centro sanitario dispón de 845 camas fronte ás 1.465 iniciais e 24 quirófanos, malia estar contemplados no proxecto 35. Outro tanto aconteceu coa propia estrutura do edificio, reducida en 15.423 metros cadrados. A Xunta da Galiza recorreu á colaboración público-privada para desenvolver a actuación. A fórmula escollida implicou, segundo o economista Beiras Cal, un incremento do custo para o Goberno galego de 216 millóns de euros. Na mesma liña, denunciou que "o tufo a contubernio nepótico, a escuro chanchullo e a capitalismo de amiguetes é tal que a parte da sociedade civil xa clama polo rescate da concesión". Ao tempo, este mecanismo permite ás autoridades galegas maquillar o alcance real da débeda pública, que no caso de contabilizar as obras executadas pola vía público-privada alcanzaría a finais de 2021 un total de 14.406 millóns de euros. O prezo do hospital situouse en 1.444 millóns de euros. A este respecto, o economista Albino Prada advertiu da "posta en servizo" dun hospital público, como o Cunqueiro en Vigo, "dentro dun edificio privado polo que se paga cada mes un alugueiro multimillonario". "Ao final o custo duplica o prezo de pagalo con débeda pública", acrecentou. O Goberno galego debe á Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo S.A 918,19 millóns de euros. De feito, este mesmo 2022 ten que efectuar pagamentos á empresa titular do Álvaro Cunqueiro por unha contía de 76,4 millóns de euros. Asemade, a débeda non estará saldada até 2035.
NOS_9087
Plantación de 200 árbores autóctonas a cargo de brigadistas deste concello da comarca do Condado.
Duascentas árbores autóctonas, "todas fillas de castiñeiros e carballos centenarios", van ser plantadas este sábado en Mondariz Balneario, o que vai ser a primeira actuación das Brigadas deseucaliptizadoras deste concello do Condado. "As arboriñas foron colleitadas hai un ano por veciñas e veciños do Balneario en colaboración coa Asociación de Nais, Pais e Alumnos do Colexio público de Mondariz Balneario CEIP Nosa Señora de Lourdes". A intervención manual nesta roga terá como obxectivo, explican, eliminar xestas e fento da parcela que rebrotaron dende as grandes vagas de incendios e plantar castiñeiros e carballos.
NOS_11516
Durante case catro anos, profesionais da Corporación de Radio e Televisión da Galiza reclaman cada sexta feira, ataviadas con camisolas negras co lema Defende a Galega, que a cadea cumpra a Lei e se comporte como un verdadeiro medio público. A súa loita levou a iniciativa a facerse co premio José Couso para a Liberdade de Prensa.
1400 días, este é o tempo que Defende a Galega, a plataforma de profesionais da Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) que reclama cumprir a lexislación sobre medios públicos, leva impulsando cada sexta feira os coñecidos como "venres negros", nos que manifestan publicamente a falta de independencia xornalística vestidos con camisolas desa cor. Nestes case catro anos, destacan, foron quen de mudar a visión dos medios públicos galegos nunha parte importante da sociedade galega, xerando consciencia de que a solución á manipulación da CRTVG non é acabar cos medios públicos, senón loitar para que a súa independencia estea garantida. Precisamente para expor "as peores prácticas e manifestacións destes 1.400 días na CRTVG", a entidade lanzou vía Twitter unha enquisa para elixir as Medallas de Alcatrán que coincide coa 200ª sexta feira de mobilizacións. Non obstante, Defende a Galega subliña en declaracións a Nós Diario que "non cremos que haxa nada que conmemorar máis aló de poñer de manifesto por enésima vez a desvergonza da Dirección Xeral, que cada semana vai multiplicando as mostras de manipulación e censura", ao tempo que "avanza no camiño cara ao desmantelamento do ente, coa conseguinte perda de calidade dos contidos e dos formatos", polo que reclaman que se impulse un Consello de Informativos desde o lexislativo, "competencia dos membros do Consello de Administración da CRTVG, nomeados pola propia Cámara", indican. Demandan que a Xunta cumpra coa lei A principal loita de Defende a Galega é que a Xunta da Galiza cumpra a Lei de 2011 dos medios públicos de comunicación audiovisual, "a cuestión é o porqué do incumprimento sistemático dunha norma que garante os valores de pluralismo e veracidade co fin de contribuír á formación dunha opinión pública informada", explican. A negativa do Goberno a cumprir a norma "e fortalecer a calidade, profesionalidade e independencia dos contidos informativos", "é para nós algo moi significativo", inciden."Non pensamos renunciar a demandar da RG e da TVG que cumpran a misión de servizo público para a que foron creadas", ratifican, ironizando que "se cadra cando Alberto Núñez Feixoo presida o Partido Popular haberá máis medios que recollan o que pasa na CRTVG". Permanencia irregular da Dirección Levar á práctica a Lei, que "tamén fala de reflectir o pluralismo ideolóxico, político, cultural e social da Galiza, de integrar a perspectiva de xénero, do respecto á dignidade humana, da defensa da identidade da Galiza", implicaría que a "directora ou director xeral sería elixido por maioría cualificada do Parlamento para un mandato de cinco anos, non de 13", en referencia a Alfonso Sánchez Izquierdo, no cargo desde 2009. Raquel Lema, representante das traballadoras e traballadores da Corporación, cuestiona que o ente non cumpra "co súa función como medio público", cometendo unha "fraude" contra o pobo galego. O problema "máis grave a nivel democrático é a manipulación informativa", destaca, lembrando que un medio público "non pode obedecer intereses que non sexan os do conxunto da sociedade", e, a pesar diso, a CRTVG "está ao servizo do partido que está no Goberno, o Partido Popular". Nese sentido, nesta semana o Comité Intercentros da CRTVG inculpou a Dirección do medio pola "utilización dos servizos informativos da CRTVG a favor da empresa promotora da mina de Touro", silenciando a voces autorizadas que explican a posición da veciñanza nun novo "episodio de manipulación informativa, contrario aos principios de obxectividade". "Debía ser unha práctica delitiva o que se fixo por exemplo con ese tratamento informativo", resolve Lema. Outro dos aspectos que aborda é a carencia de manifestacións culturais do país e dunha visión en defensa do propio, "só hai que ver a grella para saber que na programación non se recollen os intereses do país", respondendo apenas "a criterios mercantilistas". Tamén denuncia o desmantelamento das delegacións e a aposta da CRTVG por subcontratar servizos que poderían ofrecer as persoas que xa ten incluídas no cadro de persoal. Represalias contra as e os profesionais A loita das profesionais non está exenta de represalias, explica, "pertencer a Defende a galega hoxe é quedar situado nunha lista negra", conclúe, relatando que neste tempo "abríronse expedientes disciplinarios", con presentadoras e presentadores apartados "por significarse" a favor da iniciativa e incluso unha sentenza ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza que sinala que o xornalista Carlos Jiménez foi represaliado por formar parte de Defende a Galega. "Ten moito mérito dar a cara e pór a camisola semana tras semana", corrobora Lema, que incide en que "merecen o aplauso de todas e todos", sobre todo co 40% de emprego temporal que padece a CRTVG. Premio José Couso en 2019 A súa loita foi recoñecida en 2019 coa XV edición do premio José Couso para a Liberdade de Prensa, que se entrega na honra do cámara ferrolán asasinado en 2003 en Bagdad (Iraq) por disparos dun tanque dos Estados Unidos en contra do hotel no que se aloxaban os xornalistas internacionais. Defende a Galega converteuse "nun exemplo de dignidade e de resistencia en defensa do valor da información, sen a cal non é posible exercer a liberdade, e do valor do público, imprescindíbel para garantir o principio de igualdade de oportunidades", destacou a organización do premio. Porén, a entrega do galardón foi ocultada pola cadea pública, xustificándose na necesidade de protexer a marca e tratando de prohibir as camisolas no traballo.
PRAZA_12738
A editorial de Le Monde de onte comezaba dando a clave: "A crise votou. Masivamente". En catro palabras, o principal rotativo galo explicaba dous dos factores que marcaron o primeiro combate dunhas presidenciais que se dirimirán o próximo 6 de maio. Por unha banda, os votantes acudiron masivamente ás urnas desmentindo unhas sondaxes que prognosticaban unha alta abstención; e fixérono para amosar que, en democracia, a discrepancia e o enfado xeral coa marcha das cousas faise dun xeito sinxelo: votando.
A editorial de Le Monde de onte comezaba dando a clave: "A crise votou. Masivamente". En catro palabras, o principal rotativo galo explicaba dous dos factores que marcaron o primeiro combate dunhas presidenciais que se dirimirán o próximo 6 de maio. Por unha banda, os votantes acudiron masivamente ás urnas desmentindo unhas sondaxes que prognosticaban unha alta abstención; e fixérono para amosar que, en democracia, a discrepancia e o enfado xeral coa marcha das cousas faise dun xeito sinxelo: votando. Unha candidata que se presentaba como antisistema e inimiga da tripla que os está a afogar: os partidos tradicionais e a súa alianza cos mercados no seo Unión Europea que dista moito de ser ese espazo de cidadanía que nos venderon hai xa demasiado tempo Por outra, lembraban que a situación de desafección e tamén de indignación provocada pola actual crise económica á que uns gobernantes semellan incapaces de facerlle fronte sen outro remedio que atacar os únicos que non son responsable dela era apoiando a unha candidata que se presentaba como antisistema e inimiga da tripla que os está a afogar: os partidos tradicionais e a súa alianza cos mercados no seo Unión Europea que dista moito de ser ese espazo de cidadanía que nos venderon hai xa demasiado tempo. A líder da ultradereitista Fronte Nacional, Marine Le Pen acadaba o seu obxectivo: colocarse no centro do xogo político galo Tras acadar o domingo o mellor resultado da súa historia, un 17,9% dos sufraxios, a líder da ultradereitista Fronte Nacional, Marine Le Pen acadaba o seu obxectivo: colocarse no centro do xogo político galo. Se ben é certo que Madame Le Pen está fora da segunda rolda que se xogarán o socialista Françoise Hollande (28,63%) e o presidente saínte, Nicolas Sarkozy, que cun 27,18 convértese no primeiro mandatario que acode ás urnas estando no cargo e sae derrotado en primeira volta en 54 anos de historia da V República, o seu foi un triunfo rotundo. A súa é unha xogada a longo prazo, coa mente posta nas Lexislativas do 10 e 17 de xuño próximo, momento no cal soña con aproveitar a previsible división en reinos taifas na que caerá a UMP se se cumpren as sondaxes e Sarkozy cae definitivamente derrotado. De aí que onte o seu número dous á fronte do FN, Louis Allot, quen tamén é compañeiro sentimental de Le Pen, saíse para asegurar que non ían "marcar o voto aos seus seguidores" o 6 de maio. "Nin Sarkozy nin Hollande defenden as nosas ideas", sinalou Allot. E cales son esas ideas? Se lle facemos caso ás declaracións de Le Pen durante a campaña e na mesma noite do domingo, o obxectivo é claro: "estoupar o sistema". Algo que, no fondo, comparte co Front de Gauche de Mélenchon que, pese ás boas sensacións que foi quen de transmitir en campaña quedou lonxe das súas expectativas. Francia é un país moito máis tradicionalista e, sobor de todo, nacionalista do que parece a simple vista. Dalgún xeito garda moitos puntos en común co seu aparente antagonista, EEUU Cos números na man, moitos se preguntan fóra se é posible que na ilustrada Francia cos seus valores de liberdade, igualdade e fraternidade marcados a lume no seu imaxinario, un de cada cinco votantes sexa de ultradereita. A resposta é si pero a medias. A diferenza do que se poida pensar, Francia é un país moito máis tradicionalista e, sobor de todo, nacionalista do que parece a simple vista. Dalgún xeito garda moitos puntos en común co seu aparente antagonista, EEUU. En ambos os dous o rural ten un peso moi importante á hora de conformar maiorías políticas. Tamén como EEUU, Francia séntese unha potencia cuxos mellores anos quedaron atrás e ese ruxerruxe sóuboo aproveitar Le Pen nos seus discursos apocalípticos. Unha chamada á grandeur de antano que foi recollida por moitos dos que agora senten que os lemas onde se sustenta a República non son máis que papel mollado debido a uns gobernantes que cederon ante institucións foráneas ―léase UE ou Berlín―, e, sobor de todo os tan manidos mercados que, no imaxinario colectivo están representados en moitas das perigosas amizades que Nicolas Sarkozy cultivou estes cinco anos de mandato. Non se pode esquecer que o resultado do domingo é tamén un dobre castigo para Sarkozy. Un presidente a quen os seus concidadáns lle reprochan moitos dos males da República e cuxas formas non fan máis que fomentar unha animadversión que naceu poucos meses despois de gañar en 2007. O caladoiro onde Madame Le Pen bota as súas redes é o da desesperación. Xubilados, agricultores, mozos e sobor de todo, obreiros Non é que en Francia, da noite para a mañá os ultras se multiplicaran coma fungos. Simplemente dixeron basta. O caladoiro onde Madame Le Pen bota as súas redes é o da desesperación. Xubilados, agricultores, mozos e sobor de todo, obreiros. Aqueles que recibiron de Sarkozy desprezo ―"pobre cabrón", como lle dixo a un gandeiro que se negou a saudalo hai anos―, durante estes anos. Por iso desde a mesma noite electoral comezou a cortexalos con esa declaración de entender o seu sufrimento. Todo fai indicar que nas dúas semanas que quedan por diante, o aínda presidente afondará no seu discurso nacionalista e demagóxico falando de traballo, seguridade, fronteiras e, como non, inmigración. Hollande non o terá fácil. No fondo, se hai desafección cara Sarkozy, a esquerda oficial leva anos desangrándose a medida que abandonaba ás clases que di representar Na outra beira, Hollande non o terá fácil. No fondo, se hai desafección cara Sarkozy, a esquerda oficial leva anos desangrándose a medida que abandonaba ás clases que di representar. E estas, orfas bótanse en mans de quen, sen discursos floridos, acode presto a escotalas e contestar o seu mesmo idioma. Os medios galos, como as sondaxes, daban onte por segura a vitoria de Hollande o seis de marzo. Case tanto por mérito propio coma por demérito dun presidente bling-bling a quen nin os seus propios seguidores aturan máis. Coido que a historia é cíclica e para entender moito do que hoxe acontece basta abrir un libro da materia no ano 1912. E xa se sabe que de non mediar un cambio axiña, un ogro agarda tras a porta. Porén, esta será unha nova parada nun camiño que se presenta longo e cheo de dificultades. Hollande ten traballo dentro pero tamén fóra, para reverter unhas políticas comunitarias que están agrandando o buraco baixo os nosos pés. Se Hollande decepciona a propios e estraños, o camiño preséntase cheo de incertidumes e aboado para a reaparición de pantasmas que en Europa críamos ter soterrado hai décadas. O filósofo André Glucksmann ―que hai cinco anos apoiou a Sarkozy―, sinalaba o domingo nun diario español: "Non agarden nada de Francia, estamos coma nos anos trinta". Eu non sería tan catastrófico. Como algúns historiadores teñen dito, coido que a historia é cíclica e para entender moito do que hoxe acontece basta abrir un libro da materia no ano 1912. E xa se sabe que de non mediar un cambio axiña, un ogro agarda tras a porta.
NOS_9072
O Deportivo volveu amosar en Riazor o gran nivel desta temporada. Nesta ocasión, fíxolle fronte ao Atlético e conseguiu un empate que sabe a vitoria.
De inicio, os madrileños conseguiron o dominio do balón, mentres que o Dépor, fechado atrás, esperaba unha oportunidade que parecía non chegar. Así, na primeira parte, apenas houbo xogadas de perigo real. No minuto 35 chegou o gol do Atlético, cunha xogada iniciada por Carrasco, que despexou Sidnei. O esférico rebotou na cabeza de Fayçal e foi dar a Tiago xusto ao bordo da área. Tiago non perdoou e empalmou o disparo ao fondo da rede. Co tanto dos madrileños, ambos os equipos aumentaron a intensidade de xogo. O partido chegaba ao encontro cun Atlético que presionaba, con varias ocasións, en busca do segundo gol. Na segunda parte, o Depor tomou a iniciativa e deixou de fecharse atrás. Así, a través do centro do campo, comezou a ter posesión do balón. As subidas dos coruñeses provocaron que o Atlético dese un paso atrás. Lucas Pérez loitou cada coiro e nunha das ocasións conseguiu o gol do empate. No minuto 76, o coruñés aproveitou un erro de Giménez para recortar a Oblak e introducir o esférico no interior da portería visitante. O Dépor estivo a punto de darlle a volta ao marcador após o gol de Lucas. Fayçal Fajr golpeou o esférico desde a frontal que bateu no pau. RC Deportivo: Lux, Laure (Juanfran, min. 75), Lopo, Sidnei, Fernando Navarro, Borges, Pedro Mosquera, Fede Cartabia, Fayçal, Jonás Gutiérrez (Luis Alberto, min. 68) e Lucas. Atlético de Madrid: Oblak, Juanfran, Giménez, Godín, Filipe Luis, Carrasco (Correa, min. 60), Tiago (Fernando Torres, min. 82), Gabi, Koke, Griezmann e Jackson Martínez (Saúl, min. 71). Goles: 0-1 Tiago (min. 33); 1-1 Lucas (min. 76). Árbitro: Pérez Montero (comité andaluz). Amoestou Fayçal (min. 14) e Fede Cartabia (min. 89).
NOS_46256
O presidente da entidade, José María Castellano, recoñeceu aos sindicatos que nunha reunión co ministro de Economía e responsábeis de 'fondos-abutre' estes pediron a De Guindos que vendese o banco. E o ministro aceptou
Novagalicia Banco (NGB) sairá á venda antes de que acabe o ano e tras un proceso de saneamento con miles de millóns de euros de cartos públicos. E a saída á venda da entidade financeira foi aceptada polo ministro de Economía, De Guindos, a petición de fondos de investimento estranxeiros. Así llo recoñeceu o presidente de Novagalicia Banco, José María Castellano, aos representantes sindicais na reunión que mantiveron esta cuarta feira. Para Clodo Montero, da CIG-Banca, é "indignante e sorprendente" que un ministro de Economía ceda aos intereses e cálculos dos fondos-abutre. "Se é tal e como nos contou Castellano, o ministro ten que dar explicacións xa. É un escándalo gravísimo". A CIG-Banca considera un "escándalo gravísimo" que un ministro de Economía acepte vender un banco porque llo piden os fondos-abutre. "Ten que dar explicacións" Feito o traballo suxo con cartos públicos, vendelo Novagalicia Banco sairá á venda tras investirse case dez mil millóns de euros no seu saneamento. Uns cartos destinados a 'preparalo' para a súa venda ao mellor postor. Unha vez 'limpado' o problema das preferentes e subordinadas, e avanzada a reestruturación de persoal e oficinas, queda un banco ao gosto de posíbeis interesados, que os hai. Desde a CIG pedíuse ao responsábel da entidade que,xa que se estaba a traballar na venda de NGB, se paralizase o proceso de despedimentos colectivos e de restruturación. O sindicato nacionalista tamén solicitou a Castellano a súa demisión. A resposta do presidente tería sido, sinala a central, que "se mo pide un elemento como ti é motivo de orgullo".
NOS_29916
A escuadra celeste supera o Xetafe por 1-0
O Celta superou o Xetafe en Balaídos (1-0) e prolonga a xeira de vitorias acadando o seu cuarto triunfo consecutivo, e agora queda a expensas do que fagan hoxe os seus rivais por entrar nos postos europeos, Betis e Vilarreal. Visualmente non foi un partido agradábel de ver. Nunca o son cando está implicado un Xetafe que pouca xente botará en falta se finalmente se consuma o seu descenso á Segunda División. Porén, os de Bordalás arrancaron mellor que os celestes, facendo gala da intensidade que os caracterizaba en exercicios anteriores. Non sen dificultades, os xogadores celestes aguantaron e nunha xogada illada maxistralmente definida por Nolito adiantáronse no minuto 24, estabelecendo un 1-0 que xa permanecería indelébel no marcador até o final do partido. O Deportivo reactiva os campus infantís de verán A tempada rematou para os veciños do norte a pasada fin de semana, mais a actividade non se detén no Real Club Deportivo. Así, en primeiro lugar, no día de onte oficializou o nome do substituto de Alfonso Serrano -que decidiu fichar polo Albacete Balompié- á fronte da secretaría técnica do conxunto herculino: Carlos Rosende Mosquera. O coruñés de 33 anos leva traballando na estrutura de captación do Dépor desde 2019, especializándose no mercado Sub-23 e Sénior da Segunda División B. Por outra banda, a escuadra galega tamén comunicou o regreso dos Dépor Campus. Volve así unha actividade na que participan anualmente miles de nenos e nenas procedentes de todos os recunchos da Galiza logo dunha edición de 2020 moi condicionada pola pandemia. Este ano desenvolverase durante os meses de xuño e xullo, e a outra gran novidade é que non só se reactivan as sedes canceladas o ano pasado, senón que se amplían a outras localizacións como Arteixo e Cee, que se suman á Cidade Deportiva de Abegondo, Bertamiráns, Boiro, Caranza (Ferrol), Cuntis, Monforte, Ourense, Terras de Maside, Viveiro e Zas. O prazo de inscrición quedou aberto no día de onte e fecharase ás 12 horas da quinta feira previa ao comezo de cada quenda do DeporCampus, mentres que o rango de prezos vai dos 125 euros por unha semana de campamento até os 455 por un total de seis semanas.
PRAZA_1016
Que define ese islam que dá medo? É islam sequera? Que relación ten coa realidade histórica? E coa teoloxía? A realidade é que aos cidadáns occidentais asústalle a forza coa que o terrorismo bate no nome do islam, onde quere, cando quere e sen aparente dificultade.
Un prisioneiro axeonllado e con camisa laranxa. Un home vestido de negro, coa cara tapada e un coitelo disposto a pasarllo polo pescozo. Seguramente a todos vostedes lles vén á cabeza o Estado Islámico e o xeito no que difunden a súa propaganda nesta especie de cruzada do século XXI. Pero, que define ese islam que dá medo? É islam sequera? Que relación ten coa realidade histórica? E coa teoloxía? A realidade é que aos cidadáns occidentais asústalle a forza coa que o terrorismo bate no nome do islam, onde quere, cando quere e sen aparente dificultade. Malia que a islamofobia é real, só é unha parte máis da crise xeopolítica que está a desencadear o Estado Islámico. Vinculación co wahabismo e o salafismo Que é realmente o Estado Islámico? O profesor da Complutense Pablo Sapag explica que "unha organización política, relixiosa e militar que usa en termos tácticos o terrorismo". O que pretende é representar aos musulmáns sunís a nivel global na súa loita fronte outras manifestacións do islam, como o chiísmo e as súas distintas sectas, e fronte a outras confesións, como o cristianismo. Sapag afonda nesta cuestión e expón que o "obxectivo é impoñer a súa propia interpretación do islam suní", que está vinculada "a formas extremas do wahabismo e o salafismo, ideoloxías extremistas de gran tradición en Arabia Saudí pero alleas a países como Siria, sede do sufismo tolerante e multiconfesional oposto a esas ideoloxías". O obxectivo do Estado Islámico é impoñer a súa propia interpretación do islam suní, vinculada a formas extremas do wahabismo e salafismo O académico explica que esa visión wahabita e salafista son "totalizadoras", o que implica "organizar todos os aspectos da vida desde esa interpretación e facelo visible". O obxectivo secundario é que serva de exemplo para outros lugares. Así, os sitios nos que é hexemónico pasan a adscribirse a un califato "de vocación global e flexible". O autor do libro Estado Islámico, geopolítica del caos, o xornalista Javier Martín, explica que o EI nace para "darlle resposta a unha comunidade que, na época de Sadam Husein estivo á cabeza do estado e que, tras a súa caída, convertéronse en parias". Martín explica que estas interpretacións radicais nacen no século XIV por un clérigo suní de Damasco que entende "que o Islam hai que interpretalo de xeito literal para chegar ao que pretenden os salafíes, que é a unha nova comunidade islámica, similar á que tivo Mahoma". O xornalista engade que "yihad significa esforzo no camino do Islam, pero non ten por que ser violento, a yihad é o que fai a alguén ser mellor musulmán de xeito interno. O que fai o clérigo, e logo recólleo o creador do wahabismo é que interpreta a yihad non como esforzo para ser mellor musulmán senón para impoñer o islam de xeito violento sobre os demais". Yihad significa "esforzo no camiño do islam", o que fai a alguén ser mellor musulmán O presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber, sostén que o EI é "un instrumento de forzas alleas ao propio pobo árabe, á sociedade islámica xa que a súa aparición, a súa filosofía, a súa propaganda non ten nada que ver coa sociedade islámica". Ao fío disto, engade que "teñen quen os financie e produtores audiovisuais para os seus asasinatos que aínda son de cine. Entón non é o tipo de violencia que exerce un pobo oprimido contra ninguén, porque non hai unha causa. Un Estado Islámico, xa fora global ou territorial non era un obxectivo, non estaba enriba da mesa". A do Estado Islámico non é o tipo de violencia que exerce un pobo oprimido contra ninguén "O obxectivo do EI é crear o caos porque ningún musulmán aspira a ter un EI", afirma Jaber, "non existe esa filosofía porque é xente laica. Hai 20 ou 30 anos Siria ou Libia eran países absolutamente liberais, as mulleres vestían con minisaia e agora todo este movemento de reacción empúxaas de novo a meterse nun burka, pero ollo, é unha reacción provocada polo propio occidente, que contribuíu a suprimir a liberdade destas sociedades, a través de países como Israel", engade. "Que, por certo, Israel quere ser un estado liberal e moderno, pero non deixar que os demais gocen diso", conclúe. A transformación en Estado Islámico Iraq, 2004, invasión do país por parte de EEUU e os aliados. A explosión das tensións étnico-confesionais causadas pola entrada das forzas estranxeiras fan o xermolo para a orixe do Estado Islámico. Nunha primeira fase a organización estivo dirixida por Abu Musab Al Zarqawi e operou como unha franquicia de Al Qaeda. Sapag explica que co paso do tempo e "aproveitando a inestabilidade provocada en Siria polas ditaduras islamistas do Golfo Pérsico, o réxime islamista radical turco e varias potencias occidentais como EEUU e Francia", o grupo pasou a chamarse Estado Islámico de Iraq e Siria. Por aquel entón, rememora Sapag, o líder xa era Ibrahim al Baghdadi e, en xuño de 2014 pasa a denominarse, tal como actualmente, Estado Islámico. "Ese cambio de nome", di Sapag, "reflexa a súa vocación global e non territorial". En xullo de 2014 o Estado Islámico de Iraq e Siria (DAESH) mudou o seu nome a Estado Islámico para reflexar a súa vocación global e non territorial "A existencia da organización", engade o académico, "foi ocultada e minimizada polas dictaduras islamistas do Golfo Pérsico, o réxime islamista radical turco e os seus aliados occidentais". O motivo desta ocultación era que non se viran as consecuencias dos seus "múltiples atropelos en Iraq, Siria e outros sitios como Libia ou Exipto". Sapag resume que a orixe do Estado Islámico está moi "vinculada a esa alianza islamo-occidental e os seus intentos por modificar ao seu favor a situación en Oriente Próximo e no Norte de África". Ao fío disto engade que "moitos dos grupos que foron financiados, armados e protexidos politica e diplomaticamente por eses actores en Siria e outros países son parte integral do Estado Islámico". "A existencia do EI foi ocultada e minimizada polas dictaduras islamistas do Golfo Pérsico, o réxime islamista radical turco e os seus aliados occidentais Algúns autores como Lister, remontan a orixe do EI a 1999 data na que Abu Musab al Zarqawi abandona o cárcere xordano de Al Sawwaqa. Ata aquel entón al Zarqawi xa pertencera ao movemento radical violento Bayt al Iman, fundado no 1992 polo clérigo e filósofo xordano Abu Muhammad al Maqdisi. Al Maqdisi foi un dos pais do salafismo yihadista e figura central na ideoloxía que hoxe sustenta ao EI, aínda que o tivera reprobado. Varios países con Francia, España ou EEUU decidiron pasar a chamarlle DAESH, que é o acrónimo en árabe de Estado Islámico de Iraq e o Levante. Para Martín isto é un "erro" porque "o EI é global, non se circunscribe a esa zona" e, polo tanto "a maneira de enfrontalo cambia" Jaber explica que "cando foi a guerra de Iraq, destruíron o estado, e cando falta a estrutura do estado aparece a anarquía e é moi sinxelo que iso sexa o xermolo de grupos armados ata os dentes, de señores de guerra". E quen paga? Sapag expón diversas fontes de financiamento. Por exemplo, a exportación ilegal de petróleo desde as zonas que ocupa en Iraq e Siria. O petróleo sae a través de Turquía ao mercado internacional e "pode rematar no depósito dun coche en Coruña, Madrid ou Londres". Outra fonte é o "tráfico de obxectos artísticos e arqueolóxicos roubados dos xacementos e museos de Siria e Iraq", engade Sapag. Ditos obxectos tamén rematan en países occidentais. O financiamento do EI é diverso e provén da explotación ilegal do petróleo, do tráfico con obxectos artísticos e arqueolóxicos roubados ou dos recursos obtidos do pago de rescates de persoas secuestradas En terceiro lugar, o profesor universitario menciona os recursos obtidos polo pago de rescates de persoas secuestradas. A todo isto, engade Sapag, hai que "sumar os donativos de organizacións e individuos de países do Golfo Pérsico e outros". Tamén hai que sumar o "financiamento que as dictaduras islamistas do Golfo, o réxime islamista radical turco ou países occidentais como Francia e EEUU proporcionaron aos chamados rebeldes moderados que operan en Siria e que, en moitos casos, se uniron ao EI". Todo iso "son moitos cartos" conclúe o académico. Global, non territorial A vocación do Estado Islámico é global e non territorial. Por iso non controla grandes extensións de territorio con continuidade, entre outras cousas, explica Sapag, porque "sabe que o seu éxito e capacidade de defensa e proxección dependen da constitución de varios focos non necesariamente conectados de maneira física". O profesor universitario engade que "o seu territorio é máis virtual e espiritual que real". "O territorio do Estado Islámico é máis virtual que real" Os lugares que ocupa son a cidade de Mosul, ás aforas de Kirkuk, en Iraq e algunha localidade máis. Tamén Raqqa, en Siria e algúns barrios ou aldeas de Alepo, de Deir al Zhur ou Hasaka e tamén parte do campamento de refuxiados palestinos de Yarmuk en Damasco. A isto hai que sumar algunhas barriadas en cidades libanesas, zonas de Nixeria, Arxelia, Libia ou fraccións do Sinaí exipcio. Porén, como ben dixemos, é un movemento global, polo que ten moitos efectivos e simpatizantes nos países occidentais. O obsesivo afán clasificatorio de occidente Sapag afirma que a modernización do islam é unha cuestión que "deben abordar os propios musulmáns". Porén subliña a responsabilidade de occidente no que está ocorrendo polo seu "permanente e obsesivo afán clasificatorio". O académico refírese a "conceptos equívocos e tramposos como o choque de civilizacións de Huntington ou a alianza de civilizacións do ex presidente Zapatero e o turco Erdogan que nega o xenocidio armenio" que, sostén, "fixeron un enorme dano a países concretos que son multiconfesionais e de paso ao mundo en xeral". "Occidente ten moita responsabilidade no que ocorre polo seu permanente e obsesivo afán clasificatorio" Sapag pon Siria como "caso sintomático". "Siria nunca foi un país musulmán, é multiconfesional e sempre houbo unha coexistencia perfecta e sofisticada entre cristiáns e musulmáns de distintas denominacións", explica o académico, "pero occidente, empeñado en trazar liñas e clasificar á súa comenencia, non quixo entender iso, dando así alas aos islamistas radicais que lle tomaron a palabra a eses que, como na época das cruzadas querían rematar co cristianismo árabe". O profesor universitario sostén que "o EI foi moi hábil en usar esas contradicións e reducionismos absurdos duns occidentais incapaces de entender unha multiconfesionalidade que remove os seus esquemas simplistas". Ao fío disto engade que "nestes catro anos en Siria víronse xornalistas occidentais levando veo islámico cando en Siria xamais se impuxo código de vestiario algún porque o estado garante a multiconfesionalidade social". Sapag continúa coa anécdota ao afirmar que eses xornalistas, logo de entrar "ilegalmente" no país da man de "organizacións armadas", en moitos casos hoxe integradas no EI, "nunca explicaron ás súas audiencias ese pequeno detalle, furtando así a comprensión de quen estaba detrás das revoltas violentas en Siria". "O Estado Islámico foi moi hábil en usar as contradiccións e reduccionismos absurdos duns occidentais incapaces de entender unha multiconfesionalidade que remove os seus esquemas simplistas" A consecuencia do exposto por Sapag é que esas organizacións, chamadas "rebeldes moderados", en realidade eran islamistas radicais que, en moitos casos, desembocaron no EI. Ao traballar cunha liña que divide cristiáns e musulmáns, "detalles como a imposición do velo, as barbas e outros, obviáronse nuns relatos xornalísticos que a golpe de simplificación e ignorancia contribuíron a lanzar a mensaxe propagandística de rebeldes moderados, hoxe maioritariamente transmutados no EI". "Antes que xulgar o Islam, os occidentais deberían preocuparse dos seus problemas de visión xeopolítica do mundo", resume Sapag. Canto á actuación dos medios de comunicación Sapag cre que están tan "confundidos" ou "actúan coa mesma mala fe que os seus gobernos". "Con contadas excepcións de xornalistas concretos", engade, "os medios foron a caixa de resonancia de la propaganda islamista radical que, porén é presentada como unha ONG neutral. Os medios alimentaron aos islamistas radicais e agora porque "están de volta en Europa ao non lograr os seus obxectivos, préstanse a campañas islamófobas. É contraditorio, irresponsable e inmoral" "Os medios de comunicación alimentaron aos islamistas radicais e agora, porque están de volta en Europa, préstanse a campañas islamófobas. É contraditorio, irresponsable e inmoral" "Occidente xoga un papel fundamental en armar a eses grupos, en facilitarlles medios, axencias de noticias e propaganda", concorda Jaber "e occidente usa ese medo que provoca a ferocidade do EI para crear alarmismo e islamofobia na poboación". "Foron os medios occidentais os que, en Siria, presentaron aos rebeldes como moderados", afirma "cando eran grupos radicais". A encrucillada occidental Se realmente a occidente lle preocupa o EI debe "empezar por apoiar a quen de verdade combate ao EI que son os gobernos de Iraq e Siria, que desde o día un fixeron fronte a esta organización contraria á sofisticada multiconfesionalidad das súas sociedades", explica Sapag. "Damasco e Bagdad", engade "levan o peso da loita da civilización fronte á barbarie e, ademais, teñen información de calidade sobre como operan eses grupos". O académico cualifica de "suicida" non tratar con eles. É 'suicida' que occidente non trate con quen de verdade combate ao EI que son os gobernos de Iraq e Siria Por outra banda, occidente debe "chamar á orde aos seus aliados, as ditaduras islamistas do Golfo Pérsico e o réxime islamista turco", sostén Sapag. Son actores claves porque proporcionaron axuda militar, política, diplomática e financieira a grupos presentados como rebeldes moderados, que remataron no EI. O certo é que na fronteira entre Turquía e Siria transitan diariamente yihadistas de todo o mundo, especialmente europeos. Algunhas das solucións pasan por impoñer sancións a réximes que exportan ideoloxías totalitarias e violentas ou lles proporcionan libre tránsito. Ao fío disto Sapag reflexiona que "non se pode comerciar nin facer grandes obras públicas ou aceptar patrocinios de réximes que usan grupos como o EI e outros para facer avanzar as súas axendas rexionais".
NOS_9534
Aeroporto co seu nome, avión noruegués coa súa faciana… As previas deste Día de Rosalía que marca o seu 180 aniversario foron tan potentes que xa se fala de febreiro como Mes de Rosalía, o que indica que a data está máis que consolidada no calendario cultural galego. Escribimos sobre isto no Sermos Galiza 235, á venda na loxa e nos quiosques.
A figura de Rosalía, inmensa, enche xa todo o calendario de febreiro, con centos de actividades, desde lecturas de versos, a concursos de videopoemas, adaptacións gastronómicas, mobilizacións nas redes sociais. Mesmo unha asociación de comerciantes do Morrazo promoveu unha campaña por mor do seu 180 aniversario. Ou o Punto Gal, que puxo en marcha unha campaña de oferta dos dominios galegos ligados á súa imaxe e xogando cos teus textos. Pero por que Rosalía acadou tanta transcendencia social? En opinión de Ledicia Costas, a escritora que leu o manifesto da AELG o pasado domingo, porque "é a autora galega máis universal" e porque "fixo súa a voz das clases populares e, curiosamente, a súa literatura segue conmovendo a día de hoxe a xente máis nova, e iso é fantástico". [Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 235, á venda na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]
NOS_10070
A presidenta do Parlamento prohibe que os grupos conviden á cidadanía aos plenos. Todas as forzas con representación agás o PP convidan a recuar, ao considerala "unha extralimitación das funcións" que vai "contra os principios democráticos" e é "o mellor exemplo das prácticas represivas do PP"
A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, resérvase o dereito de xestionar o cupo de invitad@s que accederán de aquí en diante á Cámara. Anunciouno nun comunicado enviado aos grupos parlamentares apoiando a súa decisión nos incidentes acontecidos en decembro, cando un grupo de persoas afectadas polo calote das preferentes levou as súas protestas a un pleno ao que asistían como convidad@s. A policía agardába@s á saída para @s identificar. Porén, Rojo asegurou que "por suposto" que asistirá a cidadanía ao pleno, pois "o Parlamento non debe ser un órgano pechado". Malia isto, recalcou que esta é só unha "primeira medida" coa que pretende "o mantemento da orde" e evitar así "medidas máis contundentes" como o veto do acceso ao público na tribuna. Antes de concluír a nota, a presidenta da Cámara dá máis golpe de autoridade ao sinalar que se reserva "o dereito a adoptar calquera outra decisión para preservar o normal funcionamento da institución".A oposición repónse; o PP garda silencio Todas as forzas políticas con representación parlamentar agás o PP manifestaron xa o seu rexeitamento a esta medida, e convidan a Rojo a recuar "de inmediato" na súa teima de prohibir a entrada no Parlamento á cidadanía. Así o dispuxo AGE nunha nota de imprensa enviada aos medios, considerando que a orde ditada pola presidenta da Cámara é "unha extralimitación infundada nas súas atribucións". En termos semellantes pronunciouse tamén o BNG. A formación frontista "oponse firmemente" a eliminar os convites á cidadanía, ao entender que se está "a conculcar" o dereito fundamental de participación nos asuntos públicos. Subliñaron @s nacionalistas que a decisión comunicada por Pilar Rojo "vai claramente contra os principios democráticos". Tamén o grupo parlamentario do PSOE fixo chegar a súa denuncia contra "o autoritarismo amosado polo PP" ao poñer trabas no acceso á Cámara galega. Remarcaron @s socialistas que o comunicado remitido por Rojo "é o mellor exemplo das prácticas represivas" exercidas na Galiza pola formación conservadora.
NOS_41130
François Hollande propón unha reforma constitucional e legal após os ataques de Paris. Polonia fecha as fronteiras ás persoas refuxiadas e o Estado español afía o pacto antiterrorista suscrito logo do atentado en Charlie Hebdo.
Após os ataques decorridos en Paris o 13 de novembro nos que foron asasinadas 126 persoas o goberno francés adoptou dúas decisións. A primeira, bombardear a cidade de Raqqa en Siria e intensificar a súa intervención militar no país, iniciada o 27 de setembro e pola cal o ISIS --segundo afirmaron no comunicado co que foron reivindicados os atentados de París-- situou Francia entre os seus obxectivos. A segunda, iniciar un proceso de mudanzas lexislativas para garantir a "seguridade nacional" logo de asegurar que "Francia está en guerra". A comezar pola reforma da Constitución, no concreto o artigo 36 que regula o estado de alarma e de sitio en casos de perigo inminente, insurrección ou ataque estranxeiro e, o 16, que outorga competencias excepcionais ao presidente en caso de que "as institucións da República, a independencia da nación, a integridade do seu territorio ou o cumprimento dos seus compromisos internacionais estexan ameazados". Segundo afirmou o presidente perante a Asemblea da República e o Senado, estes "non están adaptados á situación na que nos atopamos". Durante o estado de alarma a policía pode practicar rexistros domiciliarios e detencións contra calquera persoa sospeitosa de terrorismo Unha situación marcada, dixo, por unha "guerra" que exixe "un réxime constitucional que permita xerir o estado de crise". Esta mudanza na Constitución só será posíbel por dúas vías, un referendo ou o apoio de 3/5 da Asemblea da República. Hollande opta pola segunda e previsibelmente conte co apoio do grupo de Nicolás Sarcozy o que lle permitiría aprobar a reforma de maneira folgada. Retirar a nacionalidade e expulsións Para alén disto, o François Hollande propuxo retirar a nacionalidade francesa a aquelas persoas acusadas de "terrorismo" mesmo se naceron en Francia, sempre que conten con unha outra nacionalidade. "Non podemos tornar ninguén apátrida, mais debemos poder [retirar a nacionalidade] a persoas condenadas por actos de terrorismo mesmo se son nados en Francia" sempre que teñan "outra nacionalidade", defendeu. Aliás, o Elíseo prevé contar con capacidade para expulsar persoas extranxeiras que seixan consideradas como "unha ameaza" para a "seguridade" nacional. Máis policía e control fronteirizo Asemade, François Hollande avanzou a súa vontade de "reforzar substancialmente os medios dos que dispón a xustiza e as forzas de seguridade", nomeadamente aqueles dirixidos á "loita antiterrorista" que han contar, dixo, "con todos os medios e as novas tecnoloxías". No concreto creará en 2016 5 mil policías e xendarmes, mil postos en aduanas, 2.500 postos suplementarios na "administración penitenciaria" e "servizos xudiciais". Ningunha redución de efectivos militares até 2019 e mobilización de reservistas. Hollande quere recuperar o control das fronteiras exteriores e Polonia anuncia que non acollerá refuxiad@s Aliás, o presidente francés lanzou un chamamento a recuperar o control das fronteiras exteriores perante a crise de persoas refuxiadas ás que vencellou directamente coa guerra "en Siria e Iraq". A vontade de Hollande é ter capacidade para acoller as "vítimas" da guerra mais as que non o sexan, asegurou, ter capacidade para as deportar. Após os atentados do 13 de novembro en París, países como Polonia e máis de 20 estados dos EUA, como Massachusetts, anunciaron que non darán asilo a refuxiad@s. Coligazón unitaria internacional Francia tamén lanzou un chamamento á "comunidade internacional" a se unir nunha "coligazón" para combater o ISIS. Até o momento só EUA e Francia están a lanzar bombardeos en territorio sirio, para alén da operación despregada por Rusia de maneira coordenada co goberno de Bashard Al -Assad e a loita que no Curdistán sirio manteñen as combatentes do PKK. Neste senso, solicitará que o Consello de Seguridade das Nacións Unidas --cuxa presidencia recae no goberno español-- tome posición contra o "terrorismo" e instou os Estados membros da UE a se sumaren á loita contra o ISIS. Polo de agora, a resposta foi morna por parte dalgúns executivos como o español que non aclararon se farán parte dunha operación militar internacional. O que si anunciou o goberno de Mariano Rajoy foi a abertura do pacto antijihadista asinado por PP e PSOE após o ataque á publicación Charlie Hebdo no que foron asasinados 12 persoas. Un pacto ao que quere sumarse Ciudadanos e que, na altura, intoducíu no Código Penal español a prisión permanente revisábel, unha cadea perpetua encuberta. Na "unidade" contra o "terrorismo", dixo Rajoy, "é mellor pecar por exceso que por defecto".
QUEPASA_1121
A quinta edición, que se celebrará o 17 de agosto, coincide co bicentenario do Museo del Prado, do que foi director durante trinta anos
Despois das primeiras edicións, estaba collendo proxección internacional. Por iso parece unha boa idea que Ponteceso, ao completo, recupere un Certame internacional de pintura ao aire libre Fernando Álvarez de Sotomayor que levaba 3 anos esquecido. A cita, que pon en valor a figura dun artista estreitamente ligado ao concello bergantiñán, volverá servir de foco de atracción para artistas de toda a península, como detallaron onte membros do Concello, da Asociación de Empresarios e da Fundación Eduardo Pondal. Deste xeito, Ponteceso volverá convertirse nun lenzo vivo durante a 5º edición do certame, que se desenvolverá o vindeiro 17 de agosto. Todo, neste 2019, ano simbólico pola celebración do bicentenario do Museo del Prado, do que Álvarez de Sotomayor foi director durante trinta anos. Claves son a neta do artista, Maya Álvarez de Sotomayor, crítica de arte, e o seu home, Hernán Cortés, considerado un dos mellores retratistas de España, que todos os anos retornan a Sergude, e que son grandes embaixadores da zona, e que, por suposto, formarán parte do xurado, xunto con Gabriel Astudillo, presidente da Asociación Española de Pintores; a arquitecta Isabel Aguirre, o ex presidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares; o delegado de La Voz de Galicia en Carballo, Xosé Ameixeiras, e o alcalde, Lois García Carballido, aínda que a composición do tribunal non está pechada. Comercios implicados A Asociación de Empresarios tamén se implica e o 17 de agosto o comercio pontecesán estará aberto e decorado con láminas de Álvarez de Sotomayor. E tamén se implicará á hostalaría local nas actividades paralelas, como unha ruta de pinchos, animación nos bares con grupos de música tradicional e outras propostas.InscriciónOs/as artistas que queiran participar poden preinscribirse no correo electrónico [email protected], aínda que as inscricións definitivas realizaranse o propio día 17 de agosto no Centro Cultural Xosé Neira Vilas. A xornada a comezará ás 09.00 horas e rematará ás 21.00, tras dúas horas de exposición ao público das obras participantes, que, sempre que non resulten premiadas, poderán venderse. A organización establece 12 premios: o primeiro, dotado con 3.000 euros; o segundo, 1.500; o terceiro; 1.000; o cuarto, 600; o quinto, 500, e a partir do sexto, 400 euros. Na ultima edición participaron 75 artistas, e nesta ocasión limítase a 100.
NOS_9685
Centos de persoas concentráronse onte en Compostela, Vigo, Ourense, Ferrol, Lugo, Pontevedra e A Coruña para apoiar e solidarizarse coas presas políticas catalás e para apelar ao dereito a decidir dos pobos.
Co lema "Paz-Amnistía-Autodeterminación", a plataforma "Galiza con Catalunya" saíu ás principais rúas galegas para mobilizarse e denunciar a "represión brutal contra o pobo catalán", censurando tamén o uso de "munición prohibida e tácticas de terror" por parte das forzas de seguridade do estado que xa deixou centos de persas feridas e máis de 200 arrestos. "Persoas anónimas que queren exercer o seu voto, que se negan a aceptar unha sentenza inxusta e vingativa contra os seus líderes sociais e políticos e deciden ficar caladas e organizar protestas ou que son criminalizadas por se protexeren frente a esa mesma brutalidade policial", sinalou a organización a través do manifesto lido nas concentracións. Nos actos de solidariedade tamén se apelou a deixar el liberdade os detidos durante o procés de independencia catalán, a respecto tanto de cidadás anónimas como das políticas condenadas pola sentenza do Tribunal Supremo. Ademais, o movemento, facendo honra ao seu lema, realizou tres reivindicacións nas que fixo súas as esixencias da sociedade catalá. Así, pediron a "paz, pero non en abstracto ou no silencio que nacen do medo e da pasividade, senón a que xurde do fin da brutalidade policial, dunha investigación e depuración a fondo das responsabilidades políticas asociadas e da retirada das forzas policiais españolas de Catalunya". A plataforma esixiu tamén a amnistía e a liberación inmediata das presas políticas condenadas polo Supremo español, así como das arrestadas nas marchas das últimas semanas, ademais de apelar a que cese a persecución ás exiliadas e se lles deixe voltar ao seu país. Por último, nas concentracións esixiuse o dereito á autoderminación, baseándose en que "o pobo de Catalunya xa votou" e que este expresou "con contundencia o futuro republicano e propio que quere construír de maneira colectiva". Ao respecto, os organizadores aseguraron que o recoñecemento deste dereito é a única resposta "válida para calquera demócrata, mais tamén é a única maneira de solucionar un conflito que se alargou de maneira irresponsábel".
NOS_36278
"Para nós, ti non és prensa" afirman desde Galizacontrainfo que lle dixeron os antidisturbios a un fotógrafo colaborador seu cando acreditou que era xornalista. Afirman que lle ameazaron con multas ou mesmo lle levar o material de traballo
Segundo vén de denunciar Galizacontrainfo, un dos seus compañeiros foi ameazado por antidisturbios da Policía Nacional mentres cubría o protesto contra os inminentes despexos na Coruña que poden deixar na rúa a trece familias. Segundo esta plataforma, esta persoa foi identificada polos axentes, "e ameazado con ser denunciado e multado se sacaba fotografías nas que apareceran policías". O relato de Gzcontrainfo afirma que "aínda que se identificou como xornalista, que estaba a facer o seu traballo, os antidistubios deixaron claro que "para nós, ti non és prensa". Foi ameazado con que lle sustraerían o seu material fotográfico, pero non o fixeron porque "non nos apetece e pode que nos denunciaras por coacción e ameazas".
NOS_12122
Rápida resposta de Feijóo ao desexo expresado por Rajoy de repetir mandato. Nunha nova incursión nos meios da caverna madrileña, entrevista na emisora de Jiménez Losantos, o líder do PPdeG adía a 2020 a decisión sobre o cartaz do partido nunhas novas eleccións estatais.
"No ano 20, o presidente do noso partido, despois de ver o contido e alcance do que fixo o goberno nos últimos anos, despois de ver cal é o ambiente eleitoral e de ver que posibilidades temos de voltar a gobernar España, decidirá libremente e tranquilamente o que cre mellor. E en base a iso, o partido fará unha reflexión e concretará unha candidatura", dixo Feijóo interpelado por Federico Jiménez Losantos na antena de Es.Radio. "Ninguén [en alusión a Rajoy] vai tomar unha decisión en contra do PP e en contra de España", alegou. Era un compromiso mediático de certo risco o que asumiu esta quinta feira Feijóo ao responder a chamada de Jiménez Losantos. Mais non un compromiso accidental nen casual. Fai parte de toda unha estratexia de comunicación de relanzamento da súa figura no taboleiro estatal, tal como a recente entrevista en La Razón, outra marca do aparato de propaganda do sector máis ultra e centralista da direita española. Aliás, Feijóo sabía que no temario da entrevista estaría invariabelmente o asunto da sucesión de Rajoy, após este declarar esta cuarta feira a súa disposición a voltar a ser candidato. Jiménez Losantos milita desde hai anos na corrente anti-Rajoy da caverna. Non lle puido causar estrañeza a Feijóo que lle perguntase directamente se non estaría ben que -quer el quer Cristina Cifuentes quer Pablo Casado, outros líderes alternativos- apresentase a súa candidatura nun congreso aberto do PP, disposto por tanto a competir con Rajoy. A resposta de Feijóo foi bastante polo rego do previsíbel: "Son o presidente da Xunta. Comprometinme cos galegos a o ser até 2020 e esa é a miña tarefea. Servindo ao Estado desde a comunidade autónoma? Por suposto. Sendo o representante ordinario do Estado na comunidade autónoma, que é o que somos os presidentes das comunidades autónomas", respondeu. As declaracións consecutivas de Rajoy e Feijóo admiten unha fácil esexese. O presidente do Goberno dixo literalmente que "a día de hoxe a miña intención é intentar repetir". Aquí os elementos chave de interpretación son a acotación temporal -"a día de hoxe"- e a indeterminación -"intentar repetir". Non sempre se consegue aquilo que se intenta. Por súa parte, Feijóo adía a decisión de Rajoy -que terá de ser referendada en todo caso polo partido, enfatizou- a 2020... xusto cando remataría o compromiso do titular da Xunta "cos galegos". E como pano de fundo desta historia, o ascenso de Ciudadanos, con enquisas a colocar o partido de Rivera por cima do liderado por Rajoy, o que leva a que en círculos non pequenos do PP -sempre en privado- se defenda o relevo do político de Pontevedra ao fronte da candidatura nas xerais. Feijóo revelou que a principios de xaneiro mantivo un encontro con Rajoy en Galiza para lle trasladar a súa inquietude pola emerxencia da escadra laranxa. Sobre Cs, Feijóo combinou dous rexistos discursivos: ditirambos a Arrimadas pola súa campaña catalá -"tivo un excelente resultado e eu alégrome porque se non sobe o meu partido prefiro que o faga Ciudadanos a calquera outro"- e críticas á formación nada en Catalunya polo seu carácter "acomodaticio" -capaces de pactar ora co PP ora co PSOE- e a súa falta de fiabilidade, ao carecer de calquera experiencia de goberno.
NOS_32342
A Real Orde de 26 de febreiro de 1880 aproba o proxecto presentado polo arquitecto Pelayo Mancebo para construír unha ponte sobre o Miño que comunicaría España con Portugal, aínda que toda a prensa vendía que uniría Tui con Valença. No mesmo ano, en agosto, apróbase o concurso para a adxudicación do camiño de ferro que haberá de comunicar a estación de Guillarei coa ponte de Tui.
Atrás quedaban os debates sobre onde se debía construír a ponte e comezaba a construción propiamente dita que culminou coa posta en servizo en 1886, case ano e medio despois da súa finalización. Antes de o proxecto ser aprobado, La Ilustración Gallega y Asturiana, de 28 de xaneiro de 1880, publicou un gravado, asinado por Faustino Domínguez, arquitecto provincial, que daba toda clase de detalles sobre a ponte. Domínguez nada ten a ver co proxecto mais era colaborador asiduo de La Ilustración e este medio foi un dos principais impulsores a nivel público da construción da ponte no lugar denominado Poste Vermello, mentres que na parte portuguesa a ponte asentaría no lugar denominado Caes do Vapor. Na poxa da obra, en Lisboa a 30 de xuño de 1881, participaron 8 empresas, entre elas Eiffel et Cie, mais a adxudicación final foi para a belga Braine-le-Compte. Discusións técnicas entre empresa e arquitectos supervisores, especialmente no referido a como se debían construír as bases, fixeron que as obras non comezasen até maio de 1882. Durante as obras houbo algún que outro accidente laboral. Un deses é o que nos refere a Gaceta de Galicia de 7 de abril de 1883. Sucedeu cando se traballaba en desmontar os aparellos de ferro do primeiro piar. Por un impulso violento do vapor da máquina que alí funcionaba varios traballadores foron "impelidos" ao río mais só dous quedaron "contusos" aínda que, iso si, case morren afogados. Na poxa da obra, en Lisboa a 30 de xuño de 1881, participaron 8 empresas, entre elas Eiffel et Cie, mais a adxudicación final foi para a belga Braine-le-Compte Un ano máis tarde deste accidente, xa en novembro de 1884, a prensa da Galiza está escandalizada porque, de noite, os soldados da banda portuguesa fan prácticas de tiro coa garda civil da parte tudense e, aínda que non hai feridos, os nervos da benemérita non teñen acougo. Mais voltemos á ponte. O proxecto de Mancebo gozou desde o principio da consideración de obra de arte. El mesmo se encargou de a definir como un elemento destinado a se integrar na paisaxe arquitectónica da contorna. Neste sentido deseña os estribos da ponte para "conciliar as condicións estéticas coas de utilidade e economía", transformándoos en balcóns abertos ao río para desfrute dos paseantes. Sabedor do valor arquitectónico que atesouran Valença e Tui, di fuxir de dar aos estribos o aspecto de fortificación que en obras análogas soen presentar "porque entendo que proxectando a obra desde o camiño de Tui, baixo os muros da praza forte de Valença a comparación entre o real e o que imita había de dar un carácter falso e pueril." En novembro de 1884, a prensa da Galiza está escandalizada porque, de noite, os soldados da banda portuguesa fan prácticas de tiro coa garda civil da parte tudense Durante a construción da obra, e seguindo o proxecto asinado en 31 de marzo de 1883 polo coronel comandante do exercito de Vigo Gerardo Dorado, establecéronse "hornillos de mina", en previsión dunha guerra con Portugal, co que o goberno español tiña asegurada a destrución da ponte de ser preciso. Vaia cegueira a do poder militar!! Co fácil que é entrar, ou saír, pola raia seca!! En febreiro de 1885 realizáronse as probas de carga con 8 máquinas de 68 toneladas cada unha e acordáronse as condicións de explotación da obra: serían os trens procedentes da Galiza os que chegarían a Valença para así facilitar o mellor intercambio de viaxeiros. En maio de 1898 a luz eléctrica iluminou a ponte. A prensa, e os discursos políticos falan de que, por fin, dous pobos irmáns, enténdase España e Portugal, se dan a man. Na realidade a ponte serviu para facilitar o intercambio de mercadorías e viaxeiros entre España e Portugal, mesmo para agrandar os beneficios na alfándega de Vigo, mais non serviu para unir as dúas beiras do Miño. Así o reflicte Castelao na estampa do álbum Nós en que dialogan un vello, de costas dadas para o Miño, e unha figura infantil que interroga abertamente sobre os da banda de alá. Castelao mantén o enigma, a ambigüidade na resposta. A indefinición do vello remete ao pasado; a pergunta do neno aponta ao futuro. A ponte serviu para facilitar o intercambio de mercadorías e viaxeiros entre España e Portugal, mais non serviu para unir as dúas beiras do Miño Máis de 130 anos despois a ponte segue aí, xa sen gardas que a custodien. Sen pasaportes que presentar. Sen fronteira visíbel. Sen Garda Civil. Sen GNR. Mais a comunicación de Galiza con Portugal segue a bater cunha fronteira invisíbel. Necesitamos abrir unha ponte de fraternidade cara aos da banda de alá. E dos da banda de alá para os da banda de acá. Só así poderemos cruzar libremente a ponte.
NOS_44406
A deputada di apostar pola concorrencia conxunta nas vindeiras eleccións municipais após os resultados obtidos nos comicios do 21-O.
A coordinadora nacional de Esquerda Unida e vice-voceira parlamentar de AGE asegura nunha entrevista concedida á Radio Galega que a formación que lidera xunto co líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, "veu para quedar" e aposta por unha concorrencia conxunta nas vindeiras eleccións municipais. Segundo a deputada, entre ambas as dúas formacións políticas existe "unha sintonía ideolóxica" amais de persoal polo que asegura, "a min gustaríame que isto tirase para adiante". Porén, acrecenta que non se trata dun interese particular de Esquerda Unida senón que perante "unha situación de tanta gravidade" apostan pola convivencia con "todas as voces da esquerda crítica", subliñou. A súa irrupción no Parlamento após os comicios do 21-O, asegurou Yolanda Díaz, "serviu para axitar conciencias" e para mellorar os resultados da "esquerda" pois entende que "se non tivera aparecido AGE os resultados terían sido peores". Preguntada polas diferenzas ideolóxicas existentes entre ambas as dúas formacións, a coordinadora nacional de Esquerda Unida asegurou que en tempos de crise "pódese e débese conciliar soberanismo e federalismo" ao tempo que asegurou non existiren tantas diferenzas entre os dous proxectos senón que polo xeral tende a "descoñecerse" as "tradicións políticas" representadas en EU e Anova.
NOS_40685
As tres formacións soberanistas -BNG, Amaiur e ERC- levarán a vindeira terza feira á Cámara española o debate sobre o dereito a decidir dos pobos a través dunha proposición non de lei conxunta. Unha iniciativa que chega tras o reiterado veto da mesa do Congreso a tramitar unha lei que recoñeza o dereito a decidir.
Non é un tema de agrado para as formacións políticas españolas. Mais van ter que escoitalo. Malia ser rexeitada en máis dunha ocasión pola mesa do Congreso español, unha proposta sobre o dereito democrático das nacións do Estado español a decidir sobre o seu futuro chega a esta cámara. Faino en forma de proposición non de lei e tras o veto reiterado pola mesa da Cámara española a permitir a súa tramitación como lei. "Inconstitucional", alegaron desde a mesa. Será a vindeira terza feira, 8 de outubro, e será grazas á colaboración entre BNG, Amaiur e ERC. As tres formacións elaboraron unha proposta conxunta na que se fixan "legalmente as bases do proceso para a transición" cara á independencia das nacións que así o decidiren nun exercicio democrático e popular. Non todo o democrático é constitucional. Non todo o constitucional é democrático Estas tres organizacións exixirán ao Congreso "traspor ao ordenamento xurídico español" o dereito á libre determinación dos pobos recoñecido polo Dereito internacional e diversos Tratados ratificados polo Estado español. Desta maneira, garantir que Euskal Herria, Catalunya e Galiza sexan recoñecidas e respectadas como nacións soberanas xunto con aqueles territorios "que así o definan no seu Estatuto" ou acorden no Parlamento. Aliás, a proposición non de lei insta ao executivo español a "recoñecer e respectar a convocatoria e o exercicio" dun referendo de autodeterminación nacional "sobre a constitución dun Estado independente".
NOS_21529
Durará 72 horas e visa empurrar as negociacións que decorren no Cairo.
A nova tregua ten por obxecto contribuír a calmar os ánimos na mesa de negociación instalada en Exipto e na que se atopna representadas as organizacións políticas palestinas e unha delegación chegada desde Tel Aviv. O acordo adoptado instaura un cesamento ao fogo de 72 horas após unha intensa xornada de agresións por parte de Israel na Faixa de Gaza que causaron a morte a 5 gazatís. Pola súa banda, a resistencia armada palestina continuou a lanzar foguetes contra os puntos israelitas máis próximos á fronteira que unicamente causaron danos materiais. A tregua, que deu comezo na medianoite desta segunda feira visa empurrar as negociacións que decorren na cidade do Cairo. Sobre a mesa, a proposta palestina que exixe ao Estado de Israel non só o cesamento das agresións contra a Faixa, senón tamén, o levantamento do bloqueo imposto contra Gaza en 2006, xunto coa abertura dun porto e dun aeroporto neste territorio. O levantamento do bloqueo a Gaza na axenda internacional Neste senso, o xefe do Buró Político de Hamas, afirmou que a ofensiva militar iniciada por Israel o pasado 8 de xullo "elevou o bloqueo a Gaza á axenda internacional". De feito, nos últimos días, un manifesto asinado por até 60 premios Nobel e nomes de importante sona internacional demanda o levantamento desta medida contraria ao dereito internacional e que tornou Gaza no "maior cárcere de prisioneiros ao ar libre, como o describen os poucos que o visitaron", afirman. O manifesto é apoiado por 66 Nobel e 203 eurodeputad@s e toma parte dunha campaña iniciada en 2009 pola ONU Peacelines. O Dalai Lama e Desmond Tutu (Premios da Paz),Dario Fo (Premio de Literatura), o cineasta francés Jean-Luc Godard ou os escritores israelitas David Grossman e Amos Oz, son algunhas das persoas asinantes.
NOS_7218
Os dous lumes declarados xa calcinaron arredor de 500 hectáreas. Esta evolución fixo que afecte tamén ao concello veciño de Quiroga. A Xunta considera que as lapas son "claramente intencionadas".
Os dous lumes que avanzan sen control polo municipio de Ribas de Sil suman xa arredor de 500 hectáreas queimadas, segundo información da Consellaría de Medio Rural, que arredor das 19.30 horas afirmou que ambos son "claramente intencionados". Aliás, algunhas lapas están perto das casas. Os medios de extinción na zona van en aumento dado que tamén se mobilizaron bombeiros forestais de Laza, que se sumaron ao operativo dada a virulencia do lume. Aliás, xa fora solicitada a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Desde a Xunta informaron de que o incendio iniciado na parroquia de Ribas de Sil esta segunda feira arredor das 12.47 horas obrigou a que se activase a situación 2 pola proximidade ás casas de Rairós. Tamén hai un foco nas inmediacións da estrada N-120 ao seu paso polo municipio. Neste caso o espazo afectado está sobre as 200 hectáreas. Xa na noite deste domingo comunicouse un primeiro incendio no municipio de Ribas de Sil, na parroquia de Nogueira, que tamén segue sen controlar e queima unha superficie de 140 hectáreas. Ademais, as lapas xa chegaron a afectar terras do municipio de Quiroga, limítrofe co máis castigado polo lume. O conselleiro de Medio Rural, José González, que se trasladou á zona falou da "dificultade climatolóxica" polas altas temperaturas, o forte vento e un índice de humidade "moi alto. "O que prendeu e fixo este desaguisado sabía perfectamente o dano que estaba a facer", reflexionou. Por outra banda, un lume atópase activo no municipio de Chandrexa de Queixa, na parroquia de Requeixo, que queima unhas 50 hectáreas. Igualmente, a Consellaría do Medio Rural indicou que hai un lume activo no Barco de Valdeorras iniciado sobre as 12,54 horas. Todo iso nunha xornada de altas temperaturas na que case toda Galicia atópase en risco extremo de incendios. Quedaron prohibidas até novo aviso as queimas.
NOS_27726
Após votar a favor dunha proposición socialista no Parlamento galego, @s populares votan en contra da construción do dique flotante en Madrid.
Nun pacto entre PP e PSOE o Parlamento de Galiza aprobaba esta terza feira unha partida orzamentaria de 5 millóns de euros dirixida a financiar o dique flotante en Ferrol ou a outras infraestruturas que garantan a viabilidade de Navantia na área de reparacións. A abstención de Bloque e AGE foi duramente criticada desde as bancadas populares que acusaban aos devanditos grupos de non amosaren a súa preocupación polo estaleiro ferrolán. Porén, no propio Pleno o voceiro do Bloque, Francisco Jorquera aseguraba que non ían contribuír a "lavar a cara do Partido Popular" e mesmo se preguntaban alguns d@s representantes nacionalistas, cal sería o posicionamento que adoptarían en Madrid @s deputad@s do Partido Popular perante unha proposta de resolución que advogaba pola construción do dique no porto exterior da Coruña. O pacto do PP en Galiza bate coa oposición de Madrid Neste senso, Ana Pontón aseguraba na súa conta na rede social Twitter "pola tarde no Congreso o #bng reclama dique flotante para Ferrol a través dunha resolución. Que votará o PP?". O certo é que @s representantes populares no Congreso español veñen de rexeitar a proposta presentada polas deputadas nacionalistas. Segundo Olaia Fernández Davila --malia a procurar chegaren a un acordo co Partido Popular-- finalmente foi imposíbel verbo da negativa do Goberno a concretar ningún acordo que fixese mención expresa á construción do dique, como tampouco quixeron apoiar unha reolución institucional que advogase polo levantamento do veto á construción naval civil para Navantia. Cuestións, que segundo as nacionalistas "eran irrenunciábeis" para o Bloque. A actitude manifestada esta terza feira polo executivo de Mariano Rajoy vense a sumar á defendida desde o comezo da lexislatura. Asi pois, o Goberno español non recolleu nos Orzamentos para 2013 ningunha partida orzamentaria dirixida a aumentar a carga de traballo para o sector naval galego cuestión que propiciou a abstención do grupo nacionalista no Parlamento quen denunciou que a Xunta procurou coa emenda "facer propaganda falsa".
PRAZA_18365
NOTA NECROLÓXICA | A señora dona Susana González Crespo faleceu o día 25 de Outubro do 2018 confortada co amor da súa xente e co esmerado coidado do persoal da Sanidade Pública, que ela sempre defendeu con paixón
NOS_21416
En plena campaña, Feijóo negara os feitos e mesmo se permitira ironizar decindo que até un estudante sabería que era "imposíbel" facer ese trasvase de millóns.
Un ex-conselleiro de Economía de Fraga, José Antonio Orza, foi o responsábel do informe do Consello de Contas de Galiza en que se desvelaba que a Xunta trasladou irregularmente facturas por valor de 411 millóns de euros do exercicio 2010 a 2011. Grazas a esta 'camuflaxe' descuberta pola auditoría do Consello, a Xunta presentou en 2010 un déficit do 2,37%. O teito fixado polo goberno central para as comunidades autónomas era do 2,4. Esta desviación irregular de máis de 400 millóns permitiu a Feijóo cumprir co limite imposto desde Madrid para alén de ser empregada por Feijóo, para presumir de cumpridor. O presidente da Xunta empregárase a fondo durante a campaña electoral en negar os feitos O presidente da Xunta empregárase a fondo, era época de campaña electoral, en negar os feitos. Núñez Feijóo argumentaba entón que "é imposíbel" trasladar 400 millóns de euros do exercicio 2010 a 2011 e pechar este último cun déficit do 1,6%. Feijóo mesmo ironizou con que iso sería "unha milagre".Feijóo mesmo insistiu en que non se podería cadrar o déficit de 2011 dándose ese trasvase de millóns. Esa conta sábea facer calquera estudante de económicas ou de empresariais. Eu diría mesmo que de letras". Si que houbo desvío Pois ben. O Consello de Contas vén de ratificar ese informe, unha vez valoradas as alegacións presentadas ao mesmo pola Consellería de Facenda. O documento xa está no Parlamento para o seu debate, que probábelmente se realizará en febreiro. Non será un debate doado para o presidente da Xunta, pois pesan as súas negacións, e mesmo chascarrillos, sobre o primeiro informe. O mesmo que vén de ser ratificado polo Consello de Contas sen alterar unha coma.
PRAZA_3456
As probas máis habituais con lista de espera son as radiolóxicas, que representan oito de cada dez. Nelas, a espera media mantense estable nos últimos anos, ao redor dos 60 días. Vigo é a área sanitaria na que hai que agardar máis
As listas de espera cirúrxica adoitan formar parte do debate político, tanto do discurso do Goberno galego como das críticas da oposición. Os últimos datos, correspondentes ao 31 de decembro de 2019, deixaron a espera media por unha operación nos 54,5 días, unha redución nos datos globais debida á mellora nas cifras da área de Vigo (a que habitualmente presenta os indicadores máis negativos) pero que ocultaba un empeoramento no resto de Galicia, xa que a espera media aumentou case 10 días nos hospitais públicos da provincia de Ourense, 5,3 nos centros de Lugo, 4,4 na área sanitaria de Ferrol, 3,6 na de Santiago, 3 na da Coruña e 1,2 na de Pontevedra.Para 13.563 persoas a espera situábase entre os 3 e os 6 meses, outras 5.801 tiñan que agardar entre 6 e 12 meses e para 510 a espera superaba os 12 mesesCon todo, tamén hai que agardar habitualmente por probas diagnósticas de todo tipo, dende as de radioloxía (ecografícas, TACs, resonancias...), ás endoscopias ou a estudos de todo tipo (alergolóxicos, cardiolóxicos, respiratorios, do sono...). Esta espera varía moito dunhas probas a outras e tamén é moi distinta nunhas e noutras zonas de Galicia.En total, a finais do 2019 a cifra de persoas que agardaban por unha proba diagnóstica no SERGAS era 84.879. Na maior parte dos casos (65.005), a espera era inferior aos 90 días, pero outras 19.874 persoas tiñan que agardar máis de tres meses. Para 13.563 persoas a espera situábase entre os 3 e os 6 meses, outras 5.801 tiñan que agardar entre 6 e 12 meses e para 510 a espera superaba os 12 meses.As probas máis habituais con lista de espera son as radiolóxicas, que representan oito de cada dez. Nelas, a espera media mantense estable nos últimos anos, movéndose entre os 56,6 días do ano 2014 e os 66,5 días de 2016. No 2019 espera media en radioloxía foi de 59,9 días. Con todo, as esperas para as ecografías abdominais son superiores (75,4 días), o mesmo que para as resonancias magnéticas (64,8 días).O resto de probas suma un menor número de casos e a espera media varía moito máis de ano en ano. En calquera caso, son as endoscopias as que acumulan un maior atraso, que foi descendendo nos últimos anos, ata os 119,8 días de 2019. A espera media para os estudos é de 59,3 días nos últimos datos, descendendo notablemente dende os máis de 162 días do ano 2014. Finalmente, a espera media nas probas de electrofisioloxía foi de 48,9 días o pasado ano, aumentando lixeiramente.A pesar da mellora no número medio de días espera, a cantidade total de persoas que agardan por probas diagnósticas (84.879) medrou no 2019 con respecto a 2018 (82.047) e acadou a súa cifra máis alta dende o 2016 (88.371).A cantidade total de persoas que agardan por probas diagnósticas (84.879) medrou no 2019 con respecto a 2018 (82.047)En cambio, reduciuse lixeiramente a cantidade de persoas que espera máis de 90 días. As 19.874 de 2019 son case mil menos que as 20.895 de 2018 e catro mil menos que as 23.952 de 2017.No último lustro o 2016 foi o ano con máis persoas agardando por unha proba diagnóstica e tamén con máis pacientes con esperas superiores aos tres meses, máis de 27 mil. Pola contra, no ano 2014 as cifras eran máis baixas que na actualidade, con 68 mil persoas agardando probas e só 19 mil con esperas superiores aos 90 días.Vigo é a área sanitaria con maiores listas de espera para a realización de probas diagnósticasVigo é a área sanitaria con maiores listas de espera para a realización de probas diagnósticas, debido aos atrasos na realización de probas de radioloxía, as máis numerosas. A espera media sitúase nos 88 días en Vigo, por riba dos 65 días de Ferrol ou os 53 días de Santiago e Lugo.Na área sanitaria de Vigo a espera media por unha ecografía abdominal sitúase nos 114 días, por unha ecografía musculoesquelética nos 113 días e nas resonancias magnéticas por riba dos 89 días. Por exemplo, na Coruña as ecografías abdominais teñen esperas de 53 días (dous meses menos) e por unha resonancia magnética hai que agardar 72 días (17 menos). Os indicadores vigueses empeoraron notablemente no ano 2019, pasando as resonancias de 71 a 89 días e as ecografías abdominais de 91 a 114 días.A espera media en Vigo por unha ecografía abdominal sitúase nos 114 días, por unha ecografía musculoesquelética nos 113 días e nas resonancias magnéticas por riba dos 89 díasNas endoscopias as cifras máis elevadas (con gran diferenza) corresponderon no 2019 ás áreas sanitarias da Coruña e Cee (153,9 días), que máis de suplican os datos de Lugo, a seguinte área con máis espera e multiplican por cinco os número da maior parte do resto do país.Ferrol e Lugo presentan as maiores esperas para a realización de probas de electrofisioloxía. E de novo Ferrol ten os peores datos para a realización de estudos, cunha media de 111 días, por riba dos 66 días de Vigo, a segunda área con máis espera.
NOS_28393
Asociacións de todo o país desenvolverán actos previos nas sete cidades.
40 colectivos políticos, sociais e culturais da Galiza anunciaron esta cuarta feira unha manifestación, que decorrerá en Santiago de Compostela o vindeiro 6 de novembro, para exixir "unha CRTVG ao servizo do pobo". O comité intercentros da CRTVG exixe dimisións ante os "novos episodios de manipulación informativa" As entidades convocantes desta mobilización aseguran que o Goberno de Alberto Núñez Feixoo primeiro e de Alfonso Rueda despois mantén "secuestradas" a radio e a televisión públicas do país, "antepondo os intereses do PP aos valores de carácter ético-político nos que debe fundamentarse o servizo público". Neste sentido, os colectivos chaman a "saír ao rescate dos seus medios e manifestan a súa firme vontade de defender a existencia dunha radiotelevisión pública que difunda contidos destinados a garantir a cultura e a lingua galega, a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas, como a igualdade e a non discriminación, e a calidade da propia democracia". Nova polémica coa TVG: Emite a pregunta dunha canle de 'Youtube' de extrema dereita durante unha exhumación de vítimas do franquismo Os representantes dos colectivos que participaron na presentación da mobilización fixeron lectura dun manifesto que recolle as principais demandas que trasladan ao Executivo galego. Peticións das entidades convocantes Entre as peticións dos colectivos, destaca a demanda dunha programación que preste "especial atención" á infancia e á mocidade; que promova e defenda a identidade, a cultura e a lingua propias da Galiza; que cumpra a súa función estratéxica como "motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente"; e que "erradique dunha vez por todas" a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais. A CRTVG di que non ten "responsabilidade ningunha" por entrevistar o avogado que dixo que Santi Mina pasou "unha mala noite" Por outra parte, as entidades instan as Administracións galegas ao cumprimento da normativa do sector audiovisual público galego, nomeadamente a designación por unha maioría cualificada do Parlamento dun novo director xeral que substitúa Alfonso Sánchez Izquierdo. Precisamente, as convocantes da manifestación acusan Sánchez Izquierdo de ser designado "a dedo hai 13 anos" por Feixoo, e cualifícano como "expresión dun modelo de radiotelevisión que non garante a independencia do ente público". Xornalistas reflexionan sobre a "manipulación" que padece a CRTVG Finalmente, tamén anunciaron un calendario de actos previos para levar a cabo a promoción da manifestación, como concentracións nas sete principais cidades do país nas vindeiras semanas para dar a coñecer a "problemática que atravesan os medios e a necesidade de dar unha resposta conxunta como sociedade".
PRAZA_19374
Feijóo e Francisco Conde aseguran que a empresa non comunicou ao Goberno as súas intencións pese a que xa o fixo publicamente e mesmo pactou a operación. O presidente acusa a Ana Pontón de "incordiar" e o conselleiro de Economia di que a oposición "vive nunha realidade distinta".
Feijóo di non saber nada sobre a posible segregación da actividade de Ferroatlántica na Costa da Morte e da posible venda das centrais dos ríos Grande e Xallas. Pero ao mesmo tempo di coñecer algo, o que xa é un segredo a voces. "Como non hai noticias novas, nada podo concretar", respondeu primeiro no Parlamento á pregunta da deputada nacionalista Ana Pontón sobre unha posible autorización da Xunta á operación que pretende o grupo Villar Mir. "De acordo cos anuncios, a empresa di que quere investir 100 millóns en Galicia e para iso ten que vender activos", asegurou pouco despois. Sexa como for, o presidente da Xunta abriu a porta a "analizar" unha proposta da empresa, no caso de que a presente. Feijóo di que "non hai noticias novas" pero recoñece que a empresa "quere investir 100 millóns e para iso ten que vender activos" "Se hai algunha valoración ou compromiso novo, o primeiro que ten que facer o Goberno é avalialo", asegurou Feijóo, que aclara que Ferroatlántica nada lle transmitiu á Xunta polo que "o interese público segue unido ás concesións" e o Executivo "non podería autorizar ningunha segregación". "Verémolo cando concrete algo, pero non concretou nada", insistiu ante as preguntas de Pontón, que lle lembrou as declaracións do presidente da empresa asumindo as intencións ou a documentación aos reguladores bursátiles dos EUA que ratifica o pacto para a venda de todas as súas centrais en España a un grupo norteamericano. Ferroatlántica non ten o outro plan que non sexa vender as centrais e xa ten un acordo para facelo Esta mesma semana, en declaracións á Radio Galega, o presidente de Ferroatlántica, Pedro Larrea, recoñeceu que a empresa non pensa noutra cousa que non sexa vender todos os seus activos hidroeléctricos na Península Ibérica, incluíndo os encoros dos ríos Grande e Xallas, que considera "non estratéxicos". Ademais, advertiu do "perigo" que corren as fábricas de Cee e Dumbría se a Xunta non permite ao grupo vender as centrais. Larrea negou contactos coa Xunta pero aclarou que "non vender as centrais suporía un deterioro progresivo das fábricas". E foi máis aló ao asegurar que, de non conseguir os cartos da venda, non se poderían acometer os investimentos previstos nas devanditas fábricas: 100 millóns de euros. Feijóo acusou a Ana Pontón de "incordiar" e "traer preocupacións á xente que non existen" "Non creo que non saiba nada e que a empresa non tivese xa contactos coa Xunta para anunciar a venda", díxolle Pontón a Feijóo. "A empresa anuncia que vai vender un ben do que non é propietaria, que é dos galegos e galegas e que ten en concesión gratuíta desde 1956", lembroulle a deputada nacionalista, que lle recriminou que "non fale de venda ilegal" e si de que "o vai estudar". "Iso si que me preocupa", engadiu, tras pedir que o Goberno "lle diga á empresa que as centrais nin se venden nin se segregan porque é o que di a lei e o sentido común". Pero Feijóo respondeu tamén, recriminándolle a Pontón que lle impute a autorización dunha venda "porque é falso" e acusouna de "incordiar". "Non deben incordiar e traer preocupacións á xente cando esas preocupacións non existen", dixo, para a continuación advertir de que se Ferroatlántica "presenta un expediente", a Xunta "falará cos alcaldes e, por suposto, cos sindicatos". Con todo, non se comprometeu a impedir a venda. Posteriormente, Ana Pontón pediu ao presidente do Parlamento que retirase a expresión "incordiar" do diario de sesións, pero Miguel Santalices non creu que "ofendese a ninguén". Feijóo insistiu en que, no caso de que a empresa presentase unha proposta, analizaríase baseándose "no cumprimento da lei, a garantía de interese público e o emprego". Ante iso, noutra pregunta ao conselleiro de Economía, o deputado de En Marea Pancho Casal esixiu que se vetase a venda das centrais. Francisco Conde lamentou que a oposición "poña en dúbida o que di o Goberno" e reiterou que a posición da Xunta "non mudou un só milímetro" e que "en ningún momento a empresa solicitou autorización para a venda das centrais". "Pronunciarémonos cando se presente algunha solicitude", dixo. "Villar Mir non vai presentar ningunha solicitude ata que teña coaccionada toda a comarca e os medios", retrucou Casal ante un conselleiro que acusou a En Marea e o BNG de "vivir nunha realidade distinta" e intentar "terxiversar". A concesión que só a Xunta pode modificar O cadro de persoal de Ferroatlántica considera que se estas centrais son vendidas a grupos alleos á empresa, as dúas factorías de ferroaliaxe en Cee e Dumbría acabarán por deixar de ser competitivas e por pechar. A compañía dá traballo a unhas 400 persoas, unhas 284 con contrato indefinido e arredor dun cento máis eventuais, e o seu peche suporía tamén a perda de varios empregos indirectos. O certo é que Xunta é quen pode modificar unha concesión que é súa e abrir a porta ao proceso de venda no caso de que acepte esa desagregación que non é a primeira vez que intenta a empresa. Sentenzas do TSXG e do Supremo certifican que as dúas ramas -a de ferroaliaxe e enerxética- son unha soa actividade produtiva De feito, hai sentenzas do TSXG e do Supremo que certifican que as dúas ramas -a de ferroaliaxe e a de enerxía hidroeléctrica- son unha soa actividade produtiva e que foron ditaminadas tras os recursos presentados por Villar Mir. O grupo empresarial propúxose hai máis de vinte anos mercar a división de ferroaliaxes de Carburos Metálicos separando as actividades de ferroaliaxes e enerxía en dúas empresas e converter así as centrais eléctricas, destinadas á provisión de enerxía ás fábricas de Cee e Dumbría, en simples produtoras de enerxía eléctrica para a súa venda no mercado. Daquela, o Goberno de Fraga e coa aprobación do Parlamento condicionara a autorización administrativa para o cambio de titularidade das concesións que Carburos ten dos aproveitamentos hidroeléctricos no Xallas e Grande do Porto á non segregación en dúas sociedades distintas da actividade de ferroaliaxes e produción de enerxía eléctrica, preservando así o seu interese público e condicionando que a produción enerxética estea vinculada aos usos industrias das factorías. En 1994, a Xunta esixe ademais á empresa compradora un plan de viabilidade que garanta a solvencia da explotación conxunta dos aproveitamentos hidroeléctricos e da produción de ferroaliaxe. Villar Mir acepta todas as condicións pero interpón recurso contencioso-administrativo ante o TSXG, que ditamina a favor do Goberno galego, ao igual que o Supremo en 2001 logo doutro recurso de Ferroatlántica.
PRAZA_790
A Dirección Xeral de Patrimonio non autoriza o proxecto de escavación proposto por oito entidades da sociedade civil, entre elas ADEGA ou Mariña Patrimonio, para protexer o forno romano de Esteiro, en proceso de degradación por mor da acción do mar
No espazo protexido das Catedrais, en Ribadeo, ademais das fermosas formacións rochosas que lle dan fama a este areal, hai un xacemento romano: un forno dun gran valor histórico e patrimonial, e que se atopa en serio perigo de degradación e desaparición por mor da acción do mar. Foi precisamente despois dos temporais do outono de 2014, que afectaron gravemente ao xacemento, cando oito entidades culturais e sociais da zona decidiron poñerse en contacto coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta para informar sobre a "situación crítica" na que se atopaba o sitio arqueolóxico, e tamén para demandar unha intervención de urxencia "que evitase a desaparición dos restos arqueolóxicos e que permitise obter a información científica que agocha o forno romano de Esteiro". Aínda que nun primeiro momento Patrimonio si autorizara esa intervención, o departamento vén de dirixirse aos oito colectivos solicitantes (Ollomao, A Galleira, Agrupación Cultural Francisco Lanza, Os Espigueiros, Cultura do País, Asociación Cultural Irmandade Santo Estevo, ADEGA e MariñaPatrimomonio), denegando finalmente o permiso. A acción proposta consistía na realización dunha cata de 3x3 metros, coa intención de recoller os materiais arqueolóxicos, documentar as estruturas do forno e averiguar se existen outras estruturas anexas ao xacemento. Posteriormente, a cata sería novamente tapada e, cos datos obtidos, avaliaríase se cumpría adoptar outras medidas, tales como o traslado das estruturas atopadas ou a construción dunha escolleira de protección. Patrimonio esixe importantes modificacións no proxecto que, segundo estes oito colectivos, fai inviable a actuación. Esixe, por exemplo, "modificar as dimensións da sondaxe", así como "executar unha pequena escolleira diante das escadas e da zona escavada". Arqueólogos consultados sobre estes requisitos esixidos pola Xunta consideran que cunha cata arqueolóxica reducida, como propón Patrimonio, non abondaría para recoller os materiais arqueolóxicos, non se poderían documentar as estruturas e sería imposible saber se o xacemento ten continuidade, polo que carecería de sentido facer unha intervención da que non se van obter resultados. En canto á construción da escolleira, destacan que "o seu custe é para nós inasumible como moi ben sabe Patrimonio", e cren que "pode que precisamente por iso se nos impoña como unha das condicións para autorizarnos a escavación". Mariña Patrimonio cre que as condicións esixidas significan que "a Xunta non autoriza o proxecto de intervención presentado" e polo tanto renuncian a facelo. Cren positivo, no entanto, que o labor de difusión e información pública realizado permitise "que a cidadanía coñeza a existencia e a importancia do xacemento das Catedrais, así como o estado crítico no que se atopa". Esperan que sexa o propio departamento de Patrimonio quen se ocupe de levar a cabo os traballos necesarios para investigar e protexer o xacemento, pero advirten de que "se a Xunta non actúa e tampouco nos deixa facelo a nós, a opción que queda é que o mar leve o xacemento das Catedrais"; "e iso, ademais de indignante sería vergoñento", conclúen.
NOS_7969
A xornada 'Economía circular: oportunidades de emprego', organizada por CCOO, reuniu persoas expertas procedentes do ámbito sindical, empresa, universidade e Goberno galego para abordar os retos, mais tamén as perspectivas de futuro, que se abren co cambio de mentalidade á que obriga o actual modelo económico. Ademais de exemplos empresariais da actualidade, foron protagonistas as experiencias e os estudos relacionados co mundo rural.
Nun contexto de crise das materias primas, de desorbitado prezo da luz e de problemas para a xestión dos residuos, "cómpre repensar a maneira en que producimos e consumimos", sinalaba Francisco Méndez, secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade de CCOO da Galiza. Con esta idea este sindicato realizou onte a xornada "Economía circular: oportunidades de emprego", na que se presentaron proxectos e ideas de cara ao futuro inmediato. No panorama actual, volver a ollada cara ao rural semella ser a solución. É o que opinaba José Antonio Rodríguez Añón, profesor de Física Aplicada da USC e un dos participantes da xornada, que lembraba que o interior do país representa un 6% do produto interior bruto (PIB) galego e conta co 10% dos empregos. "Está moi castigado, pouco empregado e aínda así quero pensar que o rural será a solución para moitos problemas", sinalaba. Na súa opinión "urxe actuar antes de que cheguen os fondos europeos", nun territorio que viviu "pandemias, cambio climático e fluxos migratorios". É positivo e crítico a un tempo ao constatar que "a Galiza ten un potencial rural e de pesca moi importante que moitas veces só se aproveita para campañas de imaxe". O futuro pasa por recuperar o campo Este profesor da USC analizou polo miúdo o informe das "Debilidades, Ameazas, Forzas e Oportunidades (DAFO) da Galiza 2014-2020" realizado pola Xunta da Galiza para concluír que "o rural e a economía rural son a solución de futuro". Puxo como exemplo que "grazas a el soportamos o illamento" que trouxo a pandemia, unha situación que non levaron igual de ben outros países como Italia ou Francia "e que agora vemos co Brexit". Malia este aspecto positivo, Rodríguez Añon denuncia o proceso de terciarización que se vive. "Estámonos cargando o sector produtivo primario e secundario, apostamos pola fatalidade dun terciario", aseguraba. Ademais, apuntaba a unha falta de planificación na transición, "como vemos nos casos de Vestas, Alcoa, As Pontes e na comarca de Ferrolterra onde están a piques de desmontarse os estaleiros" recomendando "tratar de trasladar á poboación o que é unha transición, que non a confundan co que foi unha reconversión". En relación aos fondos europeos Next Generation advirte que "mal empregados moralmente e socialmente poden ser un agasallo envelenado" e pon como exemplo "o que aconteceu cando se quixo salvar as entidades bancarias". Economía circular Na xornada presentáronse varios proxectos de economía circular con capacidade de crear emprego nun futuro. Miguel Fernández (SGRE), por exemplo, deu a coñecer as investigacións que remataron coa construción da primeira pa de aeroxenerador 100% reciclábel na que todos os seus compoñentes se poden reciclar despois de empregarse. Outro exemplo de innovación relacionado coa economía circular foi o exposto por Alberto Otero (Foresa Technologie), que aclarou as alternativas de hidróxeno verde que existen, unha materia prima empregada en moitas industrias e que Europa ten que importar. Noutra das intervencións, Virginia Moreno, de Ecoembes, explicaba que "tamén o medio ambiente é un obxectivo económico, non podemos seguir dependentes doutros países e temos que imitar a natureza", asegurando que "só serán competitivas as empresas que se adapten a estes cambios". Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO, admitía que "estes procesos de cambio levarán consigo a perda de emprego en moitas empresas" polo que é preciso "formarse cara a esa reconversión".
PRAZA_6
A lista de Claro que Podemos imponse en Vigo, A Coruña e Ourense na elección de secretarios xerais locais e consellos cidadáns e en Ferrol investíganse os resultados por irregularidades. Os candidatos achegados ao líder da formación vencen en dez das quince grandes cidades do Estado.
Os candidatos afíns a Pablo Iglesias serán os que dirixan Podemos nas principais cidades de Galicia. Nas tres máis poboadas -Vigo, A Coruña e Ourense- os candidatos da lista Claro que Podemos, achegada ás teses dos órganos de dirección a nivel estatal, foron os vencedores no proceso de elección das direccións locais da nova formación política. José Manuel Prieto, Isabel Faraldo e Alfonso Víctor Ferreiro liderarán Podemos en Vigo, A Coruña e Ourense Así, en Vigo foi José Manuel Prieto o vencedor, e polo tanto novo secretario xeral, logo de que a súa lista obtivese máis do 76% dos votos de entre as 774 persoas que participaron das arredor de 2.300 incluídas na única cidade galega que contará con 25 membros no seu consello cidadán. A candidatura de Claro que Podemos, liderada por Isabel Faraldo, foi tamén a vencedora na Coruña co 52,75% dos apoios de entre os 781 inscritos á formación que votaron moi maioritariamente de maneira telemática para a formación dunha dirección local que, neste caso, contará con 21 persoas. En Ourense, será Alfonso Víctor Ferreiro o secretario xeral da formación, tras obter o 82% dos votos cunha participación de 196 persoas. No caso da cidade das Burgas, o consello cidadán de 17 membros será liderado tamén polos compoñentes da lista Claro que Podemos. En Ferrol, a outra urbe galego onde se presentou unha lista oficialista, os resultados aínda non foron publicados na web do partido político. Están "en estudo por parte da Comisión de Garantías Democráticas", logo de que as supostas irregularidades atopadas si afectasen a composición final do órgano local da cidade departamental. Foi a única urbe do Estado no que se deu tal situación. A vitoria destas candidaturas avala o apoio de Podemos -que non se presentará coa súa denominación ás eleccións municipais- ás candidaturas de unidade cidadá como a Marea Atlántica, á que semella que dará o seu apoio esta formación na Coruña. Os resultados en Ferrol non se fixeron públicos ao estar "en estudo" por presuntas irregularidades nas votacións En canto ao resto de cidades galegas, en Lugo o vencedor foi Javier Lozan Folgueira -da candidatura Agora Lugo e que era o único candidato ao liderado municipal-, mentres que en Pontevedra o secretario xeral será Marcos Fontán Cortizo, da candidatura Pontevedra Pode co 84,4% dos votos e unha participación de 196 persoas- e en Compostela o líder da formación será Víctor Casas (co 55,48% dos apoios entre 330 participantes), quen concorreu nunha listaxe baixo a denominación Podemos Gañar. Fóra das cidades, había doce vilas galegas que tamén superan os 100 afiliados e afiliadas e que, polo tanto, tamén puideron escoller o seu propio consello cidadán: Narón: 244 (11 membros), Ames: 176 (7), Oleiros: 165 (7), Vilagarcia: 159 (7), Cangas: 156 (7), Arteixo: 154 (7), Ponteareas 125 (7), Culleredo: 118 (7), Moaña: 116 (7), Cambre 109 (7), O Porriño: 108 (7) e Marín: 104 (7). No caso de Narón, participaron 219 persoas, sendo elixido secretario xeral co 46,6% dos votos Natalio Gómez; en Vilagarcía de Arousa, o elixido foi Juan Manuel da Silva, independente, e que era o único candidato. Resultados a nivel estatal No conxunto do Estado, as candidaturas de Claro que Podemos, os equipos apoiados por Pablo Iglesias, impuxéronse en 10 das 15 cidades nas que a formación ten máis de 2.000 persoas inscritas. A participación no proceso para elixir os secretarios xerais de 770 municipios quedou no 34%: votaron 86.046 persoas dun censo total de 248.607. Os equipos apoiados por Pablo Iglesias impuxéronse en 10 das 15 cidades con máis inscritos no Estado En Madrid, Barcelona e Valencia esas candidaturas gañaron con porcentaxes próximas ao 60%. Jesús Montero será o secretario xeral da capital tras conseguir un 61,5% dos sufraxios; Marc Bertomeu o será na capital catalá tras solicitar o 59,27%; e Jaime Paulino, en Valencia cun 58,29%. Na rolda de prensa de presentación dos resultados, a dirección de Podemos non quixo entrar no detalle das localidades nas que gañou unha candidatura distinta a Claro que Podemos. Ante a insistencia dos xornalistas, o secretario de Organización, Sergio Pascual, afirmou que "hai varios casos porque a casuística é alta". Ademais, admitiu que en cidades como Palma ou Córdoba (nas que hai máis de 2.000 inscritos) non se presentou esa candidatura. En Málaga impúxose por un 47,13% dos votos Si que Podemos fronte á lista que apoiaba Iglesias. A participación quedou no 34% dos case 250.000 inscritos no proceso de elección dos órganos locais "Non se trata de entrar en cada municipio -expresou Pascual-. Estamos seguros de que a xente votou as mellores (listas) para o seu municipio". Só catro mulleres liderarán Podemos nas cidades con máis inscritos fronte ao once que dirixirán homes. A dirección de Podemos asegurou que a paridade (40-60%) cumpriuse en todos os consellos cidadáns. A participación quedou no 34% dos 248.607 inscritos aos que afectaba este proceso. "Parécenos un resultado magnífico", asegurou Pascual, que se referiu ao 78% que supón a participación respecto das persoas que votaron para elixir o secretario xeral de Podemos, na que Igrexas se impuxo cun 88,6% dos 107.488 votos emitidos. O total de inscritos naquela ocasión ascendía a 251.998. Agora, e desde este momento, iniciarase o proceso para elixir os órganos de Podemos en cada unha das comunidades autónomas, tamén en Galicia. Do 7 ao 25 de xaneiro poderán presentarse candidatos e candidatas á secretaría xeral e ao Consello Cidadán, que estará formado por 34 persoas, "de forma provisional en tanto non se decida autonomamente noutro sentido". Do 26 de xaneiro ao 8 de febreiro levarase a cabo a campaña electoral e do 9 ao 13 de febreiro realizaranse as votacións.
PRAZA_966
O grupo de teatro Airiños recrea nunha función de "teatro express" a loita dos xeiteiros ante a Unión Europea.
O sector da pesca artesanal do xeito leva a loitar dende o pasado ano por frear a prohibición da súa arte. Nos últimos meses a presión dos xeiteiros e a súa contorna chegou mesmo ao Parlamento Europeo, onde as autoridades comunitarias admitiron o seu erro inicial e evidenciaron, ademais, que proxectaran prohibir o xeito en boa medida por dispoñeren dunha información deficiente ao respecto pola banda dos gobernos galego e español. Mentres o xeito vai gañando batallas na UE grazas, en boa medida, á información proporcionada directamente polo sector a súa batalla xa pasou dende o mar e os despachos a un ámbito ben máis amable: o do teatro. En colaboración co Concello de Rianxo, municipio que ten o xeito como "primeira actividade económica", o grupo de teatro Airiños vén de desenvolver seis funcións en dous días da súa montaxe de 'Teatro Express' Salvemos o xeito. Nel, coa forma dun cantar de cego, artistas e veciñanza puxéronlle ingredientes de "música de acordeon, cantigas tradicionais e teatro popular" ao que, din, xa é "unha grande historia do noso presente". Airiños converteu nun cantar de cego e en escenas cómicas a loita do xeito ante a UE A cega deste cantar é Sabela Galbán, que acompañada, obviamente, por unha Lazariña, Maura Rañó, foi a encargada de interpretar os versos compostos por Esther F. Carrodeguas. A poesía narra a historia e serve de soporte para escenas cómicas nas que o público tivo unha representación da arte do xeito e tamén dun dos fitos da loita, a devandita visita ao Parlamento Europeo. Esa viaxe incluíu unha representación da viaxe en avión a Bruxelas, na que a férrea aeroliña non permite introducir unha lata de sardiñas xusto antes de protagonizar divertidas turbulencias que provocaron non poucos risos nas representacións. Tras as seis representacións en Rianxo a montaxe achegarase a Boiro o Día das Letras As seis funcións remataron cun canto coral entre actores, atrices e público: "Salvemos o xeito", clamaron entre risas e músicas. Tras estas primeiras seis sesións de teatro express xeiteiro en Rianxo a montaxe de Airiños achegarse a outras vilas, nas que, din, "outros xeiteiros loitaron de igual modo que os rianxeiros polos seus dereitos". "Este cantar dramatizado -avanzan- ten pensado atracar en Boiro, na Feira das Letras organizada por Barbantia o 17 de maio.
NOS_42140
As dúas xuízas teñen que "partillar" a única fiscal, o que imposibilita a realización simultánea de xuízos penais e civís e provoca atrasos e demoras, afirma o sindicato, que critica o "desleixo" da administración para dar unha solución.
O sector de Xustiza da CIG denuncia que a falta dunha segunda fiscal no xulgado de Violencia sobre a Muller da Coruña provoca retrasos pois, afirma, " impide que os xuízos civís e penais se poidan realizar de maneira simultánea". A ausencia desa segunda fiscal implica, ademais, que traballadores e traballadoras "teñan que prolongar a súa xornada laboral indebidamente". O sindicato explica que esta situación está motivada porque a xuíza de adscrición temporal que ocupaba o cargo antes da toma de posesión da xuíza titular non foi cesada, "mais tampouco recibiu aínda un nomeamento formal asinado e, polo tanto, a Fiscalía négase a enviar a unha segunda fiscal". Esta negativa provoca segundo a central nacionalista que ambas as dúas xuízas (unha encargada dos procesos penais e outra dos civís) teñan que compartir a única fiscal destinada neste xulgado. "Resulta imposíbel poder realizar ao mesmo tempo dous xuízos, o cal é pouco eficiente e causa un enorme prexuízo tanto á cidadanía (que sofre atrasos intolerábeis na resolución dos procesos e ten que agardar horas e horas nas dependencias xudiciais) como ao propio persoal, que se ve obrigado a prolongar a súa xornada laboral de maneira indebida", denuncia a CIG-Xustiza. Esta situación xa foi posta en coñecemento tanto da Fiscalía como do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza para que adoptaran as medidas urxentes necesarias.
NOS_17190
Repuntan a 199 os novos contaxios e os pacientes Covid ingresados descenden a 182.
Os casos activos de Covid-19 na Galiza manteñen a tendencia ascendente por sétima xornada consecutiva e sitúanse en 2.439, mentres que os novos contaxios repuntan a 199, o que supón 41 máis que a xornada anterior. Pola súa banda, os pacientes ingresados descenden lixeiramente a 182, dous menos. Segundo a actualización realizada na mañá desta quinta feira pola Consellería de Sanidade con datos até as 18:00 horas da cuarta feira, baixan a 25 os pacientes Covid ingresados en UCI, o que supón un menos, e descenden a 157 os hospitalizados noutras unidades, outro menos. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende na de Vigo, así como na da Coruña, onde hai sete pacientes Covid menos ingresados; mentres que se mantén na de Pontevedra e O Salnés; e sobe nas de Ferrol, Santiago e Barbanza, Lugo e Ourense. En canto aos casos activos de Covid-19, aumentaron até os 2.439, o que implica 39 máis que a xornada anterior, tras rexistrar unha semana en ascenso paulatino, despois de volver rexistrar máis contaxios (199) que altas (159), aos que se engade unha persoa falecida. Por áreas sanitarias, as infeccións activas soben en seis das sete: Ourense (+13), Vigo (+10), Pontevedra e O Salnés (+9), Lugo (+7), A Coruña e Cee (+3) e Ferrol (+1); mentres que descenden lixeiramente na de Santiago e Barbanza (-4). No relativo aos novos contaxios detectados con calquera tipo de proba, repuntan até os 199, despois de superar a barreira dos 200 o pasado sábado e de empezar esta semana con 126, subir a 165 a terza e baixar lixeiramente a 158 esta cuarta. Segundo os datos actualizados por Sanidade, confirmáronse 177 positivos con PCR nas últimas 24 horas, dos cales 55 corresponden á área de Vigo; 39, á da Coruña e Cee; 23, á de Pontevedra; 19, á de Ourense; outros 19, á de Santiago e Barbanza; 14, á de Lugo; e oito, á de Ferrol. .A pandemia deixa até o momento 2.371 persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza, despois de informar Sanidade esta cuarta feira da morte dunha muller de 78 anos, que morreu o 13 de abril no Complexo Hospitalario Universtario A Coruña (Chuac) e presentaba patoloxías previas.
NOS_18363
O docente, cunha ampla traxectoria na investigación das políticas agrarias e a economía ambiental, finou aos 64 anos de idade. Desde o campus de Lugo da USC tamén manifestaron as súas condolencias á familia.
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) vive momentos de dor debido ao falecemento do profesor Manuel Jordán Rodríguez, docente de Economía na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da institución académica. O pasamento decorreu hai dous días, tendo Jordán 64 anos. O mestre universitario pertencía ao departamento de Economía Aplicada e algunhas das súas principais liñas de investigación foran as políticas agrarias, a economía forestal e vinculada co medio amiente e o estudo de estratexias para o desenvolvemento do rural. Segundo indica o seu apartado na web da USC, Jordán graduárase en Ciencias Económicas en Compostela en 1979. Máis tarde, xa en 1992, acadara o doutorado. "Máis alá da súa traxectoria como docente universitario, destaca no seu currículum a participación en numerosos traballos científicos sobre o cooperativismo na Galiza", indican as mesmas fontes. De feito, o seu "extenso coñecemento" quedou preservado en diferentes textos académicos. O profesor tamén foi o coordinador científico da obra Libro Branco do Cooperativismo Galego. Aliás, era membro do grupo de investigación Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social (Ecoagrasoc) desde que se constituíu no ano 2004. Ao pesar polo seu pasamento en Compostela sumouse tamén a Facultade de ADE do campus de Lugo, tamén dependente da USC.
NOS_11507
Cada verán "agrávase a crise da sanidade galega", denunciou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen sinalou a Xunta como culpábel desta situación por non cubrir as baixas nin as ferias do persoal sanitario, e puxo como exemplo a precariedade en medicina de familia e pediatría.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, lamentou que cada ano coa chegada dos meses de verán empeore "a crise da sanidade galega". Culpou o líder do PSdeG a Xunta desta situación por non querer cubrir "as baixas nin as ferias de, por exemplo, o persoal médico de familia e pediatras". "A Xunta non quere cubrir as baixas nin as ferias de, por exemplo, o persoal médico de familia e pediatras", denunciou Caballero Nunha rolda de prensa decorrida nesta cuarta feira 14 de agosto, Caballero sinalou o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixoo, como responsábel dos recortes das políticas sanitarias que de novo se agudizan nos meses estivais. Nese sentido, tamén criticou que Feixoo estea a buscar "responsábeis externos" da crise sanitaria e que trate de "botar balóns fóra" atacando o goberno central "vestíndose de vítima" para "evitar render contas" da súa xestión sanitaria. Desta maneira, sinalou que todos os centros de saúde da Galiza "partillan problemas derivados da precariedade e da falta de persoal", polo que lamentou que Feixoo "non pasase da política do botafumeiro a tomar decisións reais" que melloren a atención sanitaria. Para Gonzalo Caballero a actuación de Feixoo redúcese a unha "campaña de anuncios e de mercadotecnia" Para Gonzalo Caballero a actuación de Feixoo redúcese a unha "campaña de anuncios e de mercadotecnia" e parabenizou o sector da sanidade pública "porque lle está a ensinar a realidade" a Feixoo. "Todos os centros de saúde teñen problemas na etapa estival", insistiu Caballero, mais resaltou o caso de Ogrobe, onde, segundo as súas cifras, o centro de saúde chegou a quedar algún día cunha soa persoa médica das seis que integran o seu persoal. Gonzalo Caballero quixo tamén dar voz ás protestas do persoal enfermeiro, un sector en que a eventualidade "está a facer estragos", con contratos "de días" por mor das decisións do executivo galego, denunciou.