ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_52640 | Máis dun cento de concellos participarán do programa de actividades Nós contra a violencia de dinamización da lingua galega e de sensibilización contra as violencias machistas. | Concertos, pezas teatrais, obradoiros, contacontos e campamentos de verán son algunhas das actividades que inclúe o programa Nós contra a violencia e que, centrado no fomento do uso do galego e na defensa da igualdade, chegará a máis de 100 concellos da Galiza. As actividades chegarán a máis de 100 concellos da Galiza No marco de Nós contra a violencia difundiranse valores como o respecto e a defensa da igualdade a través das artes escénicas e iniciativas como a creación de material didáctico e formativo nesta materia realizado en galego. Entre as actividades que se levarán a cabo atópanse accións como a peza teatral Mai Mai a cargo de Baobab Teatro, que aborda temas como o empoderamento das mulleres ou a prevención da violencia. Tamén se inclúe o espectáculo O rueiro das liortas, da compañía Elefante Elegante, unha obra que profunda no papel das mulleres nas relacións de parella. Así, a responsábel de Baobab Teatro, Andrea Bayer, sinalou que a violencia machista é un problema que "hai que erradicar desde que somos crianzas", polo que explicou que o seu espectáculo está centrado nese problema mais ao mesmo tempo diríxese a un público familiar. Grazas á ironía e o humor pretenden que as persoas se dean conta de como se"cousifica" ás mulleres e como se continúan mantendo os estereotipos de xénero Palabras similares dixo a actriz da compañía Elefante Elegante, María Torres, quen sinalou que a súa obra trata de tipos de violencias machistas "que non saen nos telexornais", senón que son "máis invisíbeis", como o acoso físico, "que se perpetúa na sociedade". Ademais, indicou que grazas á ironía e o humor pretenden que as persoas se dean conta de como se"cousifica" ás mulleres e como se continúan mantendo os estereotipos de xénero. Tamén haberá concertos do grupo A Roda titulado A Roda da igualdade, así como obradoiros para pais e nais dentro do proxecto Igual-Son, que inclúe música, danza e contos para incentivar o uso do galego e reflexionar e educar en valores de igualdade. En paralelo, editarase unha guía educativa centrada na prevención da violencia machista para mocidade e elaboraranse materiais educativos centrados nos riscos e potencialidades das redes sociais, así como un manual práctico de ferramentas educativas para previr a violencia contra as mulleres, entre outras iniciativas. Na presentación desta iniciativa participaron esta terza feira 30 de xullo o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, así como a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. As tres institucións son impulsoras deste programa da Xunta de Galiza. |
PRAZA_21000 | O Goberno galego argumenta que obras viarias que xa tiña programadas cumpren cos obxectivos comunitarios ao facilitar a accesibilidade a servizos sanitarios ou loxísticos ou incluír sendas peonís | O Goberno galego argumenta que obras viarias que xa tiña programadas cumpren cos obxectivos comunitarios ao facilitar a accesibilidade a servizos sanitarios ou loxísticos ou incluír sendas peonísO 20 de xullo de 2001, na precampaña das eleccións que tres meses máis tarde volvería gañar con maioría absoluta Manuel Fraga, o daquela presidente da Xunta e o do Goberno central, José María Aznar, anunciaron en Monforte, xunto ao seu nó ferroviario, un centro loxístico, o Porto Seco. Inaugurado por Feijóo hai agora sete anos, segue sen ter unha soa empresa instalada porque entre outras cousas aínda non ten acceso por estrada á N-120, a principal vía de comunicación da zona. Agora esa estrada vén de converterse nun dos proxectos que a Xunta quere impulsar con cargo aos fondos europeos de recuperación económica tras a COVID, que priman a sostibilidade.O luns a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, presentou en público un listado de actuacións por importe de preto de 400 millóns de euros que agora solicitará ao Goberno central que inclúa na convocatoria de fondos comunitarios para a mobilidade dentro do denominado Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia co que se pretende reactivar a economía tras a crise do coronavirus. Uns fondos que priman a sostibilidade e a descarbonización da economía, cuestións que para a Xunta se cumpren cos seus proxectos ao facilitar a accesibilidade a servizos sanitarios ou loxísticos ou incluír sendas peonís. "Non o improvisamos, levamos moito tempo traballando", asegurou Vázquez."Non o improvisamos, levamos moito tempo traballando", defende a conselleira de Infraestruturas sobre os proxectos para os que agora pide ao Goberno central 400 millóns de euros de fondos comunitariosDos preto de 400 millóns aos que aspira a Xunta, 91 irían a "mellora das infraestruturas de comunicacións no rural", con "21 actuacións de acondicionamento de estradas" das que argumenta que garantirán "o acceso a servizos públicos como sanidade, educación e coidado de maiores, facilitar a produción agraria e gandeira, e fomentar o transporte público no rural".Outros 95 millóns xustifícanse como melloras loxísticas, por unha banda con 10 millóns de euros para a construción de aparcadoiros de camións co argumento de que mellorarán a seguridade das mercadorías perigosas e terán puntos de recarga para vehículos eléctricos, e por outra con 85 millóns para catro estradas de acceso a "polígonos industriais e centros loxísticos". Son o antedito acceso ao aínda baleiro Porto Seco de Monforte, a prolongación do acceso ao polígono de San Cibrao en Ourense ata a autovía A-52, e novos accesos á A-55 dos polígonos da Granxa e A Veigadaña, no Porriño e Mos.A Xunta inclúe as estacións intermodais da Coruña Ferrol e Lugo e outros proxectos de dixitalización do transporte na súa lista de proxectos aspirantes a fondos europeosOutros 92 millóns de euros irán destinados a "sendas peonís e ciclistas para facilitar os desprazamentos non motorizados no ámbito urbano e rural", un concepto co que a Xunta xustificaría que accedan aos fondos europeos obras de mellora de estradas como as que xa vén executando nas dúas últimas décadas. Igualmente, a Xunta inclúe 40 millóns de euros para as estacións intermodais da Coruña, Ferrol e Lugo, 25 millóns para carrís exclusivos para transporte público nos accesos ás cidades ou 12,5 millóns para aparcadoiros disuasorios "con puntos de recarga eléctrica".A Xunta tamén inclúe outras partidas con contías menores para dixitalización do transporte público (13 millóns) ou desenvolvemento de "novos servizos baixo demanda mediante condución autónoma e/ou semiautónoma (20 millóns). |
NOS_17031 | A Unión Europea acorda co Reino Unido recortar as capturas de pescada e subir as de peixe sapo e rapante. | Os 27 estados que conforman a Unión Europea (UE) aprobaron nesta cuarta feira o acordo alcanzado entre o organismo comunitario e o Reino Unido en relación ás posibilidades de pesca da frota europea no Atlántico e o mar do Norte de cara a 2022. En consecuencia, para a pescada acórdase unha redución dos totais admisíbeis de capturas (TAC) de 20%, rebaixa inferior á proposta pola comunidade científica, mais dentro dos parámetros de sostibilidade. No que atinxe ao rapante, prodúcense subas de até 7% nas cotas, en función dos caladoiros, así como para o peixe sapo, cun incremento de até 8% no Gran Sol, agás o oeste de Escocia. Fican inamovíbeis os TAC das especies de augas profundas —ollomol e castañeta, principalmente—, e no caso do bacallau para o stock do oeste de Escocia. Con todo, no mar Céltico redúcese en 20%, mais en ambos os casos estímase que o Estado español pode adquirir polos mecanismos existentes de bolsas e intercambios máis exemplares que serán "suficientes" para cubrir os niveis de captura anuais da súa frota. Algunhas especies como o xurelo do Cantábrico fíxanse tamén neste acordo, ao formar parte dunha poboación biolóxica máis ampla que inclúe augas baixo a xurisdición do Reino Unido, onde o resultado é unha diminución de 12,6% dos TAC. O ministro de Pesca, Luis Planas, afirmou que o pacto "dotará de estabilidade a frota estatal para poder planificar a súa actividade", unha visión moi diferente á da conselleira do Mar, Rosa Quintana, que falou dun acordo "negativo" e cifrou en 93 millóns de euros as perdas que ocasionará á Galiza, dos cales perto de 38 millóns correspóndense coa caída da facturación da frota. Tamén desde o propio sector pesqueiro cualifican de "nefasta" a "baixada moi importante" que sofre a Galiza. presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), Javier Touza, recoñecía recentemente a Nós Diario que "todo o que sexa perder cota significa perder riqueza e emprego", tal e como ocorre coa pescada en augas ibéricas e co mantemento o feche do lagostino. |
NOS_37069 | Perto de dous milleiros de traballadores ocuparon durante aproximadamente media hora o Taller de Elaborados do estaleiro. | Perto de dous milleiros de traballadores do plantel principal de Navantia Ferrol ocuparon durante aproximadamente media hora o Taller de Elaborados do estaleiro para protestar pola decisión da dirección da compañía de desviar á factoría de Puerto Real, en Cádiz, a construción de oito bloques do flotel para Pemex. Os operarios quixeron así manifestar que "temos capacidade dabondo para facer o flotel", sinalou o secretario do comité, Lito Blanco, quen lembrou que nos últimos anos "construímos simultaneamente dous LHD para a Marina australiana, que supón a mesma carga de traballo que seis floteis". Nestes intres só 200 persoas da industria auxiliar están a traballar en Novas Construcións Blanco criticou que o desvío de traballo cara ás factorías do sur pode provocar o efecto contrario que busca a dirección de Navantia, no sentido de que "oito bloques non lles van solucionar nada no sur e se poden signficar algo, iso será un retraso nos prazos do proceso construtivo, pois agora haberá que volver acopiar materiais e posteriormente traer os bloques de volta para os ensamblar en Ferrol". O portavoz do comité opinou asimesmo que a empresa está a levar adiante unha estratexia para xerar división entre os centros e se ben lembrou que hai precedentes na distribución de traballo entre as factorías galegas e mais do sur, non ten xeito ningún, sinalou, "que se queira facer xusto agora, cando o presidente de Navantia asegurou que se ía asinar o contrato para a construción dun gaseiro para Gas Natural en Puerto Real". "Dá a sensación", engadiu Blanco, "que debe de estar en risco o tal buque". A plantilla de Navantia proseguirá a vindeira terza feira as mobilizacións para esixir un cambio de rumo na dirección da empresa e a paralización da nova organización interna, ben como máis carga de traballo, hoxe claramente insuficiente. Blanco lembrou que nestes intres só 200 persoas da industria auxiliar están a traballar en Novas Construcións e que do buque de acción maritima (BAM) anunciado na precampaña das elección europeas "non se sabe nada". |
PRAZA_13962 | Acompañado por Ana Miranda (BNG), manterá un encontro este sábado coa Plataforma en Defensa de Corcoesto para continuar a denuncia perante a Comisión Europea. | Ana Miranda, eurodeputada do BNG, e mais o eurodeputado alemán Reinhold Butiköfer, membros ambos os dous do Grupo dos Verdes-Alianza Libre Europa, visitarán este sábado pola mañá Corcoesto, onde celebrarán un encontro coa Plataforma en Defensa de Corcoesto, co obxectivo de continuar a denuncia perante a Comisión Europea do proxecto mineiro. Reinhold Butiköfer é membro da Comisión de Industria, Enerxía e Investigación do Parlamento Europeo e unha das voces máis importantes de denuncia ecolóxica do uso dos productos contaminantes. Butiköfer é membro da Comisión de Industria, Enerxía e Investigación do Parlamento Europeo e unha das voces máis importantes de denuncia ecolóxica do uso dos productos contaminantes O proxecto, unha mina de ouro a ceo aberto, utiliza como tecnoloxía para a separación do ouro o cianuro, un método que xa foi prohibido en varios países, e que mesmo foi rexeitado polo Parlamento europeo hai dous anos nunha resolución que recomendaba a todos os estados da Unión Europea a prohibición do uso do cianuro na minaría. A extracción prevista de 30 toneladas de ouro xerará seis millóns de toneladas de refugallos cun elevado contido en xofre, que se almacenarán en balsas. |
NOS_39654 | Infraestruturas de Portugal (IP) fixo público un documento que cifra en 1.250 millóns de euros o custo da fase I do enlace ferroviario de alta velocidade entre Porto e Vigo, o que supón un incremento de 350 millóns de euros sobre os 900 millóns estimados inicialmente. | O Ministro de Infraestruturas e Vivenda de Portugal, Pedro Nuno Santos, adiantou a pasada sexta feira que o Executivo anunciará "novos proxectos ferroviarios de alta velocidade" coa Galiza antes de que remate 2022. Sandra González, alcaldesa de Tomiño: "O tren de Portugal é perfecto para unir a franxa atlántica" Nuno Santos, que participaba en Viana do Castelo na inauguración dos primeiros vagóns Arco, mercados a Renfe, cos que Portugal reforza a Liña Minho, subliñou que o vindeiro cumio Hispano-Ibérico, que decorrerá precisamente en Minho, "será o momento ideal" para anunciar e avanzar neses proxectos. O ministro portugués asegurou que "estamos traballando ben coa parte española, tanto co Goberno español como co galego, e polo tanto as cousas van ben". A Comisión Europea propón a alta velocidade Vigo-Porto no Corredor Atlántico "A vontade de conectar a Galiza co resto de Portugal é fundamental para todos os lados, É de interese para os dous", engadiu. Vontade en Madrid e Lisboa O ministro de Infraestruturas insistiu en que tanto Madrid como Lisboa manteñen a vontade de favorecer a conexión entre o país luso e a Galiza, e que se está a traballar para avanzar nela. O BNG insiste en axilizar a conexión Vigo-Porto e impulsar o Corredor Atlántico Neste sentido, Nuno Santos recoñeceu que "hai traballo por facer" entre os Executivos portugués e español, a comezar por resolver as diferenzas de tensión eléctrica entre ambos países. Isto obriga a que a actual conexión entre Porto e Vigo sexa realizada por un tren diésel, a pesar de que a liña ferroviaria dos dous países estea electrificada. "Non podemos resolver todos os problemas nun día, nunha semana ou nun ano, e máis nunha área que estivo baixo o esquecemento durante décadas", asumiu o dirixente luso, para despois matizar que existe unha "certeza clara" de que o Goberno portugués sacará adiante esta conexión. Rego empraza o Executivo español a priorizar a liña ferroviaria Vigo-Porto As declaracións de Nuno Santos chegan despois de que Infraestruturas de Portugal (IP) fixese público un documento que cifra en 1.250 millóns de euros o custo da fase I do enlace ferroviario de alta velocidade entre Porto e Vigo, o que supón un incremento de 350 millóns de euros sobre os 900 millóns estimados inicialmente. |
NOS_17698 | O aumento de traballadoras e traballadores que se atopan nun Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) no noso país suman 232.891. A Xunta admite que hai 4% aínda sen resolver. | As traballadoras e traballadores afectadas por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) na Galiza aumentaron en máis de 2.000 desde a pasada quinta feira 30 de abril e chegan xa aos 232.891, segundo os datos achegados esta segunda feira pola Consellaría de Economía, Emprego e Industria. Desta maneira, no marco da actual crise provocada pola pandemia de coronavirus, o número de ERTE solicitados no noso país é de 35.821. A súa situación xeográfica correspondería a 13.864 (+60) expedientes nas comarcas da Coruña, 12.544 (+64) nas de Pontevedra, 4.251 (+20) nas Ourense, e 4.131 (+15) nas de Lugo. Con respecto ao número de traballadoras e traballadores afectadas, a maior cantidade concéntrase nas comarcas de Pontevedra (81.420), seguida polas da Coruña (65.346), Ourense (17.900) e Lugo (15.331). A este cómputo deben sumarse os 1.031 ERTE tramitados en servizos centrais (autonómicos), con 20.497 traballadores afectados, e aqueles empregados prexudicados por expedientes de regulación en empresas a nivel estatal, pero que teñen repercusión na Galiza, e que son 32.397. A Xunta aínda ten 4% de ERTE sen resolver Segundo explicou o Goberno galego en rolda de prensa, malia poñerse "todos os medios" para resolver os expedientes presentados en prazo no noso país até o de agora quedaría 4% dos presentados no seu momento aínda sen resolución. Organizacións sindicais como a CIG criticaron estes atrasos por considerar que prexudicaban que as traballadoras e traballadores afectadas non puidesen cobrar as prestacións que lles correspondían. |
NOS_47654 | "Oink!", a revista do Xabarín, xa está nos quiosques. O personaxe de noso co que xa se criaron varias xeracións, o porco bravo que achegou a música rock e a televisión en galego á cativada é o protagonista da nova revista, a única infantil en galego. | "Sorpréndeche verme no papel? Pois aquí estou, cunha revista chea de novas, reportaxes, pasatempos... unha orea de cousas abraiantes e curiosas que hai polo mundo adiante e mesmo das que hai fóra do noso planeta". Así se presenta o porco bravo no primeiro número dunha revista que achega ás galaxias e á pintura rupestre, ensina como recuperar un fosil ou facer un foguete en origami, móstranos unha oferta de libros e entretén con Fiz, Iria ou os gatos descarrirados entre outras personaxes que habitan o universo do porco bravo. Seccións divulgativas, de entretemento e moita, moita banda deseñada, son as marcas da nova publicación que sigue o espírito do Xabarín. O prezo é de 3 euros e a periodicidade mensual. Unica na nosa lingua Marcos Ferreira e Lucía Castro están á fronte de Agalip, a empresa que ideou levar ao Xabarín á publicación mensual para crianzas en galego. "Somos pais e comprobamos que non existe ningunha publicación na nosa lingua para os máis cativos e de aí xurdiu a idea. As que hai uniformizan e o Xabarín é unha figura que forma parte da nos cultura e influíu na xeración dos que agora somos pais" comenta Marcos Ferreira, un dos promotores da iniciativa. Contan con colaboracións en debuxo, asesorías didácticas ou xornalistas. Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Andrés Meixide, Miguel Porto, Fran Bueno e Marilar Aleixandre, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, Kohell, Victor Rivas e Pinto & Chinto integran a listaxe que dar vida ao Xabarín en "Oink!". Unha chea de autores de banda deseñada, comandados por Kiko da Silva e co autor do porco bravo, Miguelanxo Prado, entre eles, danlle entidade á nova publicación, unha revista que promete tamén música, entre outras moitas sorpresas. A estrela televisiva, que acompañou xa a varias xeracións, regresa en formato papel, cos valores de seu para entreter e informar ás crianzas das casas. "Oink quere ser unha revista divertida, dinámica e, tamén educativa. Queremos lembrar o que moitas veces esquecemos: os nenos e nenas son capaces de pensar, imaxinar, idear e deseñar cousas incribles" defenden os promotores. |
NOS_4420 | O presidente da Generalitat, Quim Torra, expuxo o "obxectivo priroritario" de La Crida: a investidura de Carles Puigdemont. Fíxoo este sábado no seu discurso ás participantes no congreso inaugural da organización, en Barcelona. | Na organización soberanista, cuxo nome completo é La Crida Nacional per la República, figuran militantes do PDeCat -partido herdeiro de CiU, en que militaba o propio Puigdemont-, ERC e mesmo unha antiga conselleira polo PSC, Marina Geli. O presidente da formación é Jordi Sànchez, actualmente en prisión. Este dirixiuse aos asistentes vía carta e asegurou que este novo movemento do nacionalismo "non pretende entrar no sistema de partidos cataláns e nace coa vontade de desaparecer" en canto acade o seu fin estratéxico, a república catalá. A aparición de La Crida, non obstante, engadiu un novo elemento ao campo soberanista. Vista con receo dende as direccións de PDeCat e e ERC, os seus promotores afirman que non se trata dun partido político -aínda que si o rexistraron como tal-, senón dunha "asociación que quere facer acción política". Os seus postulados están reducidos á proclamación efectiva da república, despois da que, din, se disolverán. De cara ás eleccións municipais, La Crida presiona para que o independetismo presente unha candidatura unitaria en Barcelona. |
NOS_14414 | O que arde volverá ás súas orixes. Navia de Suarna, nos Ancares, acollerá a súa primeira proxección pública na Galiza o vindeiro 29 de setembro, domingo. Participará o director do filme, Oliver Laxe, e o equipo técnico e artístico, incluídos os intérpretes protagonistas Amador Arias e Benedicta Sánchez. | En Navia de Suarna naceu a celebrada obra de Laxe, premio do Xurado Un Certain Regard no último festival de Cannes, agora na sección Perlas do de Donosti e que viaxou ou viaxará a máis de 40 certames por todo o mundo. "Regresa ao corazón da Serra dos Ancares, onde se orixinou", sinala Numax, a empresa de Compostela encargada da súa distribución para Galiza e o Estado español. A implicación da veciñanza como extras de rodaxe ou colaboradores na loxística certifica esa relación. Pero é que o casting de actores que descubriu a Arias e a Sánchez tamén se fixo en Navia de Suarna, de onde procede a familia do propio Oliver Laxe (Paris, 1982). O concello dos Ancares achegou parte das paisaxes da fita, que se completou en zonas de Cervantes e Becerreá. A proxección do 29 de setembro será na praza da vila. Estrea en salas o 11 de outubroDespois da premiere de Navia de Suarna, O que arde pasará polo Festival de Ourense e polo Curtocircuíto de Compostela. O 11 de setembro chegará ás salas comerciais da Galiza e do Estado, con estreas xa confirmadas en múltiples cinemas. |
NOS_21532 | O líder do PSdeG desfaise en eloxios ao alcalde de Vigo, con quen mantivo agres enfrontamentos, e promete derrogar a Lei da Área Metropolitana durante un acto en que se gabou Caixanova. | Manuel, Pachi, Vázquez, candidato do PSOE á presidencia da Xunta de Galicia, ofreceu este mércores un almorzo informativo en Vigo en que escenificou de forma pública a súa boa relación actual co rexedor da cidade, Abel Caballero, con quen mantivera fortes disputas nos últimos tempos. Diferenzas que semellaron quedar arranxadas cun discurso en que o líder d@s socialistas galeg@s apostou por un ton localista moi na liña do que habitualmente mantén o alcalde vigués. De feito, e malia aos moitos problemas económicos e sociais existentes en Galiza, Pachi Vázquez non dubidou en afirmar que, de saír elixido presidente da Xunta, a súa "primeira medida" sería "derrogar a Lei da Área Metropolitana de Vigo". "Abel Caballero levantou a bandeira e cravouna no medio da cidade cando veu Feijóo dicir que habería área de Vigo sen Vigo", expuxo Vázquez, que protestou porque "non se lle dá" a cidade máis populosa de Galiza "a importancia que merece". "Pero a Xunta sempre se estrela aquí", engadiu. Ademais, Vázquez defendeu a convocatoria que no seu día fixo Abel Caballero --ao que definiu como "amigo"-- dunha manifestación en contra da fusión das caixas galegas. "Por desgraza o tempo deulle a razón. A fusión non era unha boa idea e agora non queda nada", dixo o líder socialista, que con ese argumento deu pé a que Abel Caballero afirmase que "Caixanova era un proxecto sólido e consistente". "Este alcalde e Vigo son a simbiose perfecta porque o seu coñecemento acumulado e a maior garantía de éxito", coroou a xogada o candidato socialista. Visita a ConxemarPachi Vázquez tamén visitou a XIV Feira Internacional de Produtos do Mar --Conxemar-- que ten lugar no recinto Ifevi da propia cidade viguesa, onde prometeu o seu "compromiso de apoio, de traballo para competir, facer grande Galicia e colocar Vigo no epicentro das políticas pesqueiras". A maiores, comprometeuse a recuperar "os plans estratéxicos da conserva e o conxelado" elaborados polo goberno bipartito na pasada lexislatura "que foron paralizados por Feijóo". |
NOS_12817 | Ana Pontón fai fincapé na urxencia de que a Galiza dispoña dun modelo enerxético que poña "a riqueza eléctrica do país a favor do país". | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou esta cuarta feira ao Executivo galego un "plan de choque" para axudar "a quen peor o está a pasar", en referencia ao contexto de crise económica por unha suba de prezos "sen precedentes nos últimos 40 anos". Así o manifestou en declaracións aos xornalistas antes de participar nun encontro con empresarios na Cámara de Comercio da Coruña, aos que trasladou as súas propostas para paliar "os efectos da escalada inflacionista sobre o tecido empresarial e sobre o conxunto da maioría social". A inflación cómelle ás persoas traballadoras un mes de salario Neste senso, e en alusión ao custo da enerxía, a portavoz nacional do BNG fixo fincapé na urxencia de que a Galiza dispoña dun modelo enerxético que poña "a riqueza eléctrica do país a favor do país". Da crise económica que se aguzou nos últimos meses, dixo que está "a afectar máis a Galiza que o resto do Estado español". "Os galegos están a empobrecerse máis con pensións e salarios á cola do Estado, requírense accións contundentes", engadiu. A inflación dispárase en abril marcada polo prezo da vivenda Aliás, urxiu o Goberno de Alfonso Rueda a actuar con "rapidez" a través da aprobación dun "plan de choque". Dentro do mesmo, demandou medidas estruturais e tamén aumentar as pensións non contributivas, así como a Renda de Inclusión Social (Risga) ou axudas "a gastos básicos como vivenda" ou outras dirixidas aos sectores produtivos. |
NOS_18823 | O atacante, que acababa de saír da prisión, estaba baixo vixilancia activa nunha investigación por terrorismo. | Axentes de Scotland Yard mataron a tiros o domingo unha persoa nunha importante rúa comercial do sur de Londres despois de que atacase con arma branca unha muller e un home, que se debate entre a vida e a morte. Outra vítima, tamén muller, sufriu feridas leves por vidros roto por un disparo da policía. A policía afirma que o atacante era un terrorista islamista e, segundo a BBC, saíu da prisión a semana pasada despois de cumprir a metade dunha condea de tres anos. O incidente ocorreu en Streatham High Road, unha zona con cafés, restaurantes e tendas, a uns seis quilómetros ao sur da praza de Trafalgar. Segundo testemuñas presenciais, o atacante levaba un machete e tres latas de prata atadas ao redor do pescozo para convencer á policía de que estaba equipado cun explosivo caseiro, seguindo o mesmo patrón que nos ataques de coitelo de London Bridge en 2017 e o ataque a esa mesma ponte o 29 de novembro de 2019. Axentes de paisano disparáronlle tres tiros. |
NOS_9853 | O portavoz de En Marea demanda a PSOE e Unidas Podemos que poñan en marcha políticas para afrontar «as tres emerxencias» que afronta a Galiza: a feminista, a climática e a social. Tamén lles demanda compromisos cunha «axenda galega» que se reflictan nos orzamentos de 2020. | O Goberno central que formen Unidas Podemos e PSOE debe, en opinión de Luís Villares, priorizar a derrogación da lei mordaza e da reforma laboral, así como asumir compromisos orzamentarios coa Galiza O portavoz de En Marea e o grupo mixto no Parlamento da Galiza, Luís Villares, preguntouse esta terza feira, 12 de novembro, após coñecer o principio de acordo entre PSOE e Unidas Podemos, se «facía falta unha repetición electoral e o ascenso da extrema dereita para que lles viñese o sentido» e alcanzasen un acordo de Goberno no Estado. En declaracións aos medios nos corredores da Cámara galega, Villares indicou que espera que o novo goberno acometa «medidas contundentes para a recuperación das liberdades públicas" e para acabar coa ditadura da precariedade laboral», derrogando tanto a lei mordaza como a reforma laboral aprobada polo PP. Villares reclamou como necesaria a «existencia dunha auténtica axenda galega para que os orzamentos de 2020 non cometan o mesmo agravio que os de 2019», expresión que semella unha alusión ao BNG, que volve ao Congreso e cuxa portavoz nacional, Ana Pontón, condicionou o apoio do BNG precisamente á existencia desa «axenda galega». É positivo un acordo para un goberno de progreso, pero agora ten que demostralo coas medidas e os orzamentos que a cidadanía precisa Derrogación da reforma laboral, acabar coa lei mordaza e atender as necesidades de Galicia. Son maneiras de demostrar o progreso @VillaresLuis pic.twitter.com/yc5NLbF9Nb— En Marea (@En_Marea) November 12, 2019 |
NOS_8648 | O escritor Xosé Lois García (Merlán, Chantada, 1945) presenta mañá a súa obra Achegas á simboloxía do románico da Ulloa. Será ás 19.30 horas nun marco inigualábel: a igrexa románica de San Xoán, en Antas de Ulla. Trátase dun estudo sobre a iconografía románica presente nos tres concellos que compoñen a comarca da Ulloa: Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei. A obra estivo impulsada polo Instituto de Estudos Ulloáns, e foi publicada no seu boletín, Cairón, nos tres números correspondentes a 2019, 2020 e 2021. | Cal é esa simboloxía románica á que fai referencia no título da súa obra?É un estudo de investigación e análise da iconografía románica, nos seus pormenorizados temarios: antropomorfismo, zoomorfismo e fitomorfismo, os tres temas de maior transcendencia e visibilidade, que exercen varias lecturas no sentido dualista, do ben e do mal. Hai outros temas interesantes como son os elementos xeométricos e a orientación de todos eles que conforman este amplo cuestionario da simboloxía románica. Que mostras da arte románica poden atoparse na Ulloa?Todas as que teñen referencia nas diversas expresións do século XII e XIII románico, e aínda do XIV, o románico tardío ou rural, etapa de transición do románico ao gótico. Os meus traballos non entran demasiado no tema da arte. O que eu estudo pertence á semiótica, todo aquilo que está representado en signos que descifran o símbolo iconográfico románico. É un tema moi minoritario e pouco desenvolvido até agora na Galiza. Do que coñecemos de arte románica, sobre estruturas arquitectónicas e históricas, a Galiza está moi adiantada nestes temarios e con excelentes estudosos e técnicos. Que papel ocupa a Ulloa dentro do Románico galego?Non podemos esquecer que a comarca da Ulloa é o centro xeográfico da Galiza e o Camiño de Santiago pasa por Monterroso e Palas de Rei, terras receptoras dun enorme compendio de arte medieval cluniacense e cisterciense procedente de Francia. Na Ulloa observamos unha serie de expresións simbólicas que se manteñen nesas iconas do románico, até chegar aos floreceres que nos legou a singularidade do século XII. Onde se concretaron grandes mestres do románico, como o mestre Pelaxio. Estamos falando de corenta e catro igrexas da Ulloa, que se recollen neste libro, cunha oferta de enorme interese para os estudosos de semiótica. Dos guetos da Galiza Está o románico galego ben recoñecido, ou son precisas máis obras como a súa?Son precisas máis obras que superen a miña. Así sucederá non moi tarde, a sucesión de esclarecer a normalización da mensaxe que emiten as pedras románicas, na súa ofrenda de darnos a coñecer a Idade Media, que fala para as nosas retinas. Esas iconas que vemos nos capiteis e nas cornixas falan dunha época histórica, doutrinaria, antropolóxica e dun longo formulario de ideas e conceptos populares e vivenciais que desvelan Galiza nos seus diversos ambientes de tempos idos. Toda unha pedagoxía que non pode ser esquecida polos galegos. Penso que o románico galego é o suficientemente recoñecido por enormes estudosos e non ben tratado e protexido polos seus donos e polos que teñen o deber patrimonial de preservar a súa integridade. Que importancia teñen libros como este para achegar ao público xeral o Románico galego, neste caso da Ulloa?Este tipo de traballos de campo e no que eu investigo sobre simboloxía, non son os máis doados para que a xeneralidade de persoas o entendan de súbito todo ese tecido técnico e de linguaxe que emiten as iconas. Cómpre sensibilizar a xente que vive a redor destes templos románicos do valor expresivo de tantas cousas que constatan referentes da tradición dos nosos devanceiros e da nosa cultura de hai novecentos anos. Nestes momentos hai unha explotación desmesurada de intereses, no que se emprega ese "todo vale", visitas en que certos guías explican o templo desde un acomodo de chiste persoal, que nada ten que ver coa realidade que emiten eses elementos iconográficos. Mais non todo é así, hai guías moi competentes que afondan na realidade do monumento que contemplan visitantes e turistas. |
PRAZA_62 | A Xunta tenta esquivar, en resposta ao BNG, as críticas do Consello de Contas pola desviación no custo de obras que, entre 2010 e 2011, pasaron de 152 a 200 millóns de euros. "Os proxectos complementarios non se producirían se os orixinarios estivesen ben estudados", di o organismo fiscalizador. | O pasado novembro o Consello de Contas facía público un informe sobre a contratación pública da Xunta en 2010 e 2011, os dous primeiros anos completos tras o retorno do PP ao poder. Nese informe o ente fiscalizador detectou "importantes desviacións de carácter económico e temporal" en obras dependentes da Consellería de Infraestruturas, na altura dirixida polo actual alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e cifraba o prexuízo para as arcas públicas nuns 50 millóns de euros, toda vez que adxudicacións por 152 millóns acabaron custando 200. Poucos días despois os deputados do BNG Francisco Jorquera e Ana Pontón preguntábanlle por escrito ao Goberno polas razóns destes sobrecustos e a reposta vén de chegar. A Xunta atribúe as desviacións, entre outras razóns, a factores a priori tan previsibles en Galicia como a "xeoloxía" ou o mal tempo. Nun contexto no que, no propio 2011, Alberto Núñez Feijóo proclamou que a política de infraestruturas do seu Goberno estaría presidida pola "austeridade e a eficiencia", a Xunta comeza xustificando estes sobrecustos do 31% explicando que "todos e cada un dos reaxustes de gasto e de prazo" se "realizan conforme a dereito". Asemade, agrega, "o 47,6%" dos 85 expedientes que o Consello de Contas toma como mostra "foron licitados antes de 2009" e o 52,38% restante, despois. "Trátase -evidencia- de medidas recollidas na lei de contratos do sector público para facer fronte aos imprevistos que xorden durante a execución das obras" e "no caso de Galicia, hai que ter en conta" algúns "condicionantes", como "unha xeoloxía moi complexa cun sistema hídrico moi abondoso", a "frecuente aparición de afeccións a elementos arqueolóxicos non inventariados" ou "as circunstancias meteorolóxicas, que condicionan as obras". Adxudicacións por 152 millóns remataron custando 200 Se ben é certo que Contas cita estes factores como causas dalgúns dos sobrecustos non o é menos que en moitos dos expedientes as modificacións nos contratos se produciron por motivos ben diferentes. Así, por exemplo, o prezo do acondicionamento dunha estrada en Negreira disparouse un 50% para, entre outros aspectos, "adaptar as interseccións oas criterios da instrución de accesos da Dirección Xeral de Obras Públicas, "evitar un poste de Fenosa" ou "executar novos camiños para dar acceso a fincas particulares". Noutra obra, a construción do enlace de Curro coa autovía do Salnés, desviouse o custo un 36% pola "necesidade de dispor de desvíos de tráfico pola presenza nos terreos dunha serie de industrias mineiras", e un 20% máis pola variación do "deseño do enlace para axustarse ás condicións da actividade industrial da zona". Asemade, o prezo subiu un 4% a causa da "corrección" dun "erro nas medicións dos firmes". A Xunta alega que xa puxo en marcha medidas para evitar os sobrecustos Así e todo, o Executivo obvia estas circunstancias para centrarse en que "tal e como recoñece o Consello de Contas, dende o ano 2009 a Xunta adoptou as medidas necesarias para reducir ao mínimo os sobrecustos das obras públicas", tales como "endurecer as condicións para o cálculo das baixas temerarias", isto é, evitar que as empresas fagan ofertas a prezo reducido malia saber que non o poderán cumprir, ou fixar un "indicador de obrigado cumprimento e que se está a cumprir, cuxo obxectivo prioritario é reducir as desviacións orzamentarias positivas no desenvolvemento das infraestruturas". Deste xeito, afirma, os sobrecustos reducíronse uns 20 puntos a respecto do mandato do bipartito de PSdeG e BNG. "Os proxectos complementarios non se producirían se os orixinarios estivesen ben estudados", di Contas Aínda que Contas admite a posta en marcha destas medidas lánzalle reproches á Xunta que van alén da súa explicación. Boa parte das modificacións contractuais, razoa o organismo, non responden a imprevistos e polo tanto "deberían ser previstas no proxecto orixinal" de cada obra se a Consellería "aplicase a dilixencia requirida, de acordo coa boa práctica profesional, na elaboración do proxecto e na redacción das especificacións técnicas". "Os proxectos complementarios non se producirían se os proxectos orixinarios estivesen ben estudados e fosen completos", agrega o informe, que salienta ademais que "en ningún suposto consta que se esixisen responsabilidades aos autores do proxecto" polas devanditas desviacións. Informe completo do Consello de Contas sobre a contratación da Xunta en 2010 e 2011 |
NOS_12820 | O deporte rei non para nin en Semana Santa, festividade que permitirán ver desprazamentos masivos de seareiras, tal e como acontecerá no Athletic-Celta e no Ponferradina-Lugo. Fóra da casa tamén xoga -ante o Talavera- o filial celeste, mentres que como locais exercerán o Rácing co Zamora e o Déportivo co Dux Internacional. | O fútbol hai moito tempo que deixou de ser un simple pasatempo, até o punto de que para algunhas persoas chega a ser unha relixión, como demostra nos seus estudos Ángel Enrique Carretero, profesor do Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social da Universidade de Santiago de Compostela. Ese compoñente de relixiosidade aumenta nunhas datas tan sinaladas como as actuais, e máis nun contexto como no que está instalado o Real Club Deportivo da Coruña, que logo de dominar con puño de ferro o primeiro tramo da competición, desde principios de 2022 está instalado nunha semella que perpetua crise de xogo e resultados que o levou de encabezar a táboa con seis puntos de vantaxe na xornada 20 -mediados de xaneiro- a estar hoxe a nove do líder e con só oito puntos de colchón sobre o play-off cando aínda restan oito partidos por disputar. De aí que lograr a vitoria en Riazor ante o Dux Internacional de Madrid (domingo, 12 horas), un conxunto ao que superou na primeira volta por 2-3 cun gol no último minuto, sexa vital para iniciar a resurrección dun equipo que, consciente de que o ascenso directo é xa unha quimera, precisa de recompoñerse non só pensando en chegar do mellor modo posíbel á fase de ascenso, senón para asegurar a súa presenza nunha rolda eliminatoria que se disputará na Galiza. O seu rival, a pesar do que indique a clasificación -ocupa o décimo cuarto posto- non será doado de vencer, pois, como se dicía de Julio Salinas durante a súa etapa como xogador branquiazul, é capaz do peor e do mellor, especialmente ante os equipos galegos, pois contra o Rácing rañou un empate, mesmo resultado que obtivo hai apenas dúas semanas ante o Celta B, que xoga mañá ás 17 horas na Mancha ante o Talavera . Tanto vigueses como ferroláns comparten coa escuadra branquiazul o obxectivo de rematar a tempada en postos de play-off, sendo o primeiro en entrar en acción o conxunto departamental, hoxe ás 21 horas na Malata ante o Zamora do galego Yago Iglesias. Coa salvación a catro puntos, a presión por manter a categoría augura un partido duro para un Rácing de Ferrol que, non obstante, conta co aval do seu fantástico estado de forma, que o levou a non perder nin un só partido desde hai dous meses. O Celta aspira a recuperar a competitividade en Bilbao "Semella que non nos estamos xogando nada", dicía Denis Suárez despois da derrota da xornada pasada do Celta ante o Español. Instalado en terra de ninguén, coa salvación practicamente fechada e a unha distancia insuperábel cos postos europeos, o conxunto olívico deberá esforzarse para atopar a motivación necesaria para non acumular derrotas neste tramo final de campaña e reencontrarse coa súa mellor versión, e que mellor escenario que o impresionante Novo San Mamés. Alí, o Celta ten unha oportunidade desde as 18.30 horas do domingo de espantar pantasmas e fechar en 99% a permanencia na Primeira División a costa do Athletic de Bilbao, para o que, ademais, contará cun amplo destacamento de seareiros e seareiras celestes que se desprazarán até a capital biscaíña aproveitando a festividade de Semana Santa. 'Derbi dos Ancares' entre Ponferradina e Lugo E se o Celta estará ben acompañado en Bilbao, que dicir do Lugo en Ponferrada, pois 400 persoas contan con entrada para o coñecido como "Derbi dos Ancares" (domingo, 14 horas), ás que se unirán un incontábel destacamento de lucenses que vivirán o ambiente nos bares, cafés e restaurantes da contorna. Non obstante, para o técnico albivermello, Rubén Albés, a esmorga queda fóra do terreo de xogo, pois o da Ponfe "será un partido duro, ante un dos favoritos para o play-off de ascenso. |
PRAZA_11292 | A "atención a pacientes en lista de espera" da área de Vigo foi incluída como parte da mellora do concerto de Povisa a finais de 2018, pero o acordo, de ata 1 millón de euros, non se concretou ata agora, cadrando coa venda á filial española do grupo americano Centene. Sanidade resta importancia ao momento en que foi asinado. | O pasado 3 de outubro o ata agora grupo empresarial propietario de Povisa, o hospital privado que en virtude dun concerto co Sergas é o de referencia para 130.000 pacientes da sanidade pública, asinaba a súa venda a Ribera Salud, a compañía sanitaria que dende 2018 é propiedade da multinacional estadounidense Centene Corporation. Poucos días antes, o 30 de setembro, compradora e vendedora ratificaban á Consellería de Sanidade que a operación estaba a piques de culminar e, ao tempo, Grupo Nosa Terra 21 deixaba atado un acordo co Goberno galego para operar aínda máis pacientes do Servizo Galego de Saúde na área de Vigo.A "atención a pacientes en lista de espera" da área de Vigo foi incluída como parte da mellora do concerto de Povisa a finais de 2018, pero o acordo non se concretou ata agora, cadrando coa venda á filial española do grupo americano CenteneA finais de 2018, despois de que Povisa amagase con ir a concurso de acredores, a Xunta accedía a mellorar as condicións do seu concerto sanitario, asinado en 2014, aínda que, segundo a xustiza, non se producira circunstancia ningunha que recomendase facelo. Entre as mudanzas figuraba o compromiso de que o Sergas pasase a asumir a subministración directa da medicación hospitalaria aos pacientes adscritos a Povisa e, a cambio, Sanidade baixaba a cota anual por paciente de 540 a 504,79 euros, sistema de financiamento abertamente criticado polo Consello de Contas por mor da súa escasa "transparencia".Na nota oficial divulgada daquela por Sanidade para "salientar o acordo adicional acadado" con Povisa, o Goberno galego sinalaba que aquel pacto "especificaba" a "realización de actividade adicional" no hospital privado. Isto é, de asistencia non contemplada no concerto especificamente. A modo de exemplo, sinalaba que entre esa "actividade adicional" estaría a "realización e seguimento de probas complementarias a pacientes que proveñan do programa de cribado de colon" e tamén "a atención a pacientes en lista de espera da EOXI de Vigo".Así, co novo acordo, comezaba o ano 2018 mentres a sanidade viguesa seguía axitada e o persoal do hospital privado, inquieto. A comezos do outono saltaba a noticia que ata ese momento era un ruxerruxe: Nosa Terra XXI dispúñase a vender o centro sanitario concertado a Ribera Salud. O 30 de setembro ratificaban á Xunta a operación, aínda pendente da autorización de Competencia. Pero naquela xornada sucedeu algo máis, tal e como adiantou o xornalista Ángel Paniagua para a edición viguesa de La Voz de Galicia. Foi ese día cando o aínda máximo responsable de Povisa, José Bernardo Silveira, asinou co xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, o acordo para operar máis pacientes da área sanitaria de Vigo. Isto é, asumir operación inicialmente previstas para o hospital Álvaro Cunqueiro ou o Meixoeiro ata final de ano para así reducir as listas de espera na área sanitaria con máis demora cirxúrxica de Galicia -74 días segundo os datos máis recentes, case vinte por riba da media galega-. Para facelo, Sanidade pon sobre a mesa de Povisa ata un millón de euros.Sanidade admite que o acordo, de ata 1 millón de euros, foi pechado cadrando coa venda; resta importancia ao momento porque xa estaba a negociarse e din que os "prexudicados" no caso de non o cumprir serían "os pacientes"Consultada ao respecto por Praza.gal, a Consellería de Sanidade admite os feitos e réstalles importancia porque "na modificación do concerto" que entrou en vigor a comezos de 2019 "xa se incluíu o acordo de incorporar a Povisa á realización de actividade programada para pacientes na lista de espera da Xerencia de Vigo". O único que faltaba para que comezase a facelo era que o "acordo" se "materializase", din dende a consellería.Pero, por que xusto antes da venda do hospital concertado á multinacional americana? "A tramitación" do pacto, responde unha portavoz oficial da Consellería, "iniciouse antes do verán" e "era necesario concretar que pacientes son os que precisan en maior medida" seren intervidos "de acordo co seu tempo de espera en listas de espera" e tamén definir "en que procesos Povisa terá capacidade para atender a demanda exposta". Non "executar" o acordo, defende a Xunta, ademais de ser un "incumprimento", "a quen prexudicaría fundamentalmente sería aos pacientes" que "poderán ser intervidos cirurxicamente de acordo con este incremento de actividade" antes de fin de ano. Antes das primeiras listas de espera do ano electoralO 31 de decembro é, precisamente, a data de referencia na que se recompilan os datos das listas de espera que o Sergas fai públicos en xaneiro. Tendo en conta a reforma que restrinxiu a información pública ao respecto -pasou de divulgar as listas de espera catro veces ao ano a facelo só dúas-, o dato de xaneiro será o penúltimo da lexislatura no caso de que as eleccións galegas se celebren cando correspondería, en setembro. E o derradeiro deste mandato se Alberto Núñez Feijóo decidise adiantalas uns meses, por exemplo á primavera.A lista cirúrxica oficial da área viguesa reflectía unhas 7.700 persoas no primeiro semestre de 2019Os últimos datos oficiais, do primeiro semestre de 2019, apuntaban un descenso da demora media no conxunto do Sergas ata a contorna dos 56 días. No caso da área sanitaria de Vigo, as persoas a agardar por unha operación eran a finais de xuño unhas 7.600, unha cantidade moi semellante á do momento en que abriu o hospital Álvaro Cunqueiro, no verán de 2015. Neste tempo si se reduciu o número de pacientes a agardar na lista oficial de Povisa, pasando de case 5.000 a pouco máis de 3.000.Cando un paciente do Sergas é chamado para operarse nun hospital privado e decide agardar polo público, desaparece das cifras oficiais das listas de esperaNos seguintes datos de listas de espera que divulgue o Sergas xa non estarán as persoas actualmente na lista de espera que, malia teren como hospital de referencia o Álvaro Cunqueiro, sexan chamadas para seren operadas en Povisa. Desaparecerán da lista oficial tanto se efectivamente son operadas como se rexeitan a asistencia no centro privado porque prefiren que a intervención se realice no público. Nese caso pasarían a formar parte da coñecida como lista non estrutural, cuxas cifras non son públicas e nas que os pacientes poden ser incluídos sen data de operación.Contra esta práctica e outras semellantes alertou recentemente a Valedora do Pobo. Así, no marco da presentación do informe oficial da institución correspondente a 2018, a alta comisionada explicou que "o problema" non é "só que o tempo de espera resulte excesivo" en diversos casos, senón que "en moitas das reclamacións" que recibe fica "constatado" que "o paciente nin sequera ten concretada data" para a atención. Esa "práctica de non obter unha data concreta no momento de solicitar cita debe ser corrixida", reclamou. |
NOS_36992 | Nunha entrevista na Radio Galega, Beiras asumiu que vai ser eleito portavoz de Anova na asemblea nacional que a formación realizará os días 8 e 9 de Xuño, en Santiago. | 15 minutos de conversa entre o xefe de informativos da Radio Galega, Xabier Ares, e o portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras. O veterano político de Brión (1936) asume que vai ser eleito líder da organización na Asemblea Nacional que irá decorrer os días 8 e 9 de Xuño. "Parece ser que si. Vaime tocar ser portavoz, embora xa teño abondo co que teño", dixo. Ares perguntou a Beiras se pensaba que, alén de na protesta, @s galeg@s poderían ver en algún momento a Anova como unha "forza de goberno". "Se hai unha creba democrática do actual réxime", dixo en relación á monarquía española borbónica, "si que se nos pode ver" nese plano, afirmou o líder nacionalista. Beiras tamén explicou a presenza de Anova nunha convocatoria da esquerda española, o vindeiro 31 de Maio en Madrid, organizada por Izquierda Unida, en que van participar como cabezas de cartaz Cayo Lara e Alexis Tsipras, líderes de IU e a Syriza grega, respectivamente. Proceso constituínte no Estado? "É un simposio, unha convención da esquerda. É un convite a título persoal, para participar nese debate. Estamos a finais dun ciclo histórico e ao principio dun novo ciclo", dixo. O líder de Anova explicou que a política no actual contexto se sustancia en tres "cenarios" distintos, o nacional, o estatal e o europeu. Sustentou a tese de que para exercer o dereito "á libre determinación" o pobo galego ten que estar representado en todos e cada un deses cenarios. Ese sería o papel que quer xogar Anova como organización, dixo, "do nacionalismo de esquerdas". "Nos '90 un membro da Mesa advertiume de que querían meterme cocaína no coche" Non precisou cal será a fórmula pola que eventualmente aposte Anova á hora de concorrer ás eleccións europeas de 2014. Tamén aí ve 3 cenarios. O dunha coligación das forzas nacionalistas e de esquerdas. O dunha plataforma do nacionalismo de esquerdas de Catalunya, Euskal Herria e Galiza. Ou o dunha candidatura só de forzas nacionalistas galegas. E vosté en cal desas hipóteses aposta?, inquiriu Ares. Beiras contornou a resposta e dixo que dependería de cara onde vai a dinámica política e de se esta vai ou non a apuntar cara á "ruptura democrática". O xefe de Informativos da RG interesouse tamén por saber como reaxiría Beiras caso de algún deputado do PP se plantar perante o seu escano e bater nel (no escano, non en Beiras, esclareceu Ares após ser cuestionado ironicamente polo líder de Anova). Beiras respondeu que nos 90 el foi obxecto de ameazas proveniente das fileiras conservadoras e que até nunha ocasión un membro da Mesa do Parlamento, da oposición á Fraga, lle advertira de que tencionaban "meterme cocaína" no coche. "Ou é que pensan que eles non son agresores? Fórono sempre e eu non fixen ningunha agresión, só exercín a miña liberdade cando se estaba a manipular o meu nome por parte do presidente da Xunta para o guindar contra o porta-voz do BNG. Iso é intolerábel do ponto de vista da ética parlamentar", concluíu Beiras. |
NOS_17665 | O dato de xuño de 2022 é o maior desde o mesmo mes de 2008. O menor rexistrouse en abril de 2016, e desde entón o prezo medio do alugueiro non fixo máis que medrar no país. | O prezo das vivendas en alugueiro na Galiza incrementouse 4,1% no último trimestre deste ano, até alcanzar os 7,8 euros/m2, segundo o último informe publicado polo portal inmobiliario Idealista esta segunda feira. Na taxa interanual, tomando como referencia o mesmo período de 2021, a suba alcanza 4,8%. Aliás, en comparanza co mes de maio, o custo do alugueiro medrou 1,4% este xuño. Con base nestes mesmos datos, o rexistro deste mes de xuño (7,8 euros/m2) é o máis elevado desde xuño de 2008, no inicio da recesión económica. O dato máis cativo desta serie histórica foi o de abril de 2016 (5,4 euros/m2) e, desde entón, e coa excepción dunha leve caída en 2020 por mor da pandemia, o prezo mantivo unha tendencia á alza. A taxa de pisos públicos en aluguer no Estado sextuplica a da Galiza Vigo é a cidade máis cara Os prezos experimentaron unha importante repunta nas cidades galegas durante a primavera. Así, encabeza os aumentos Ourense (+3,1%), seguida de Lugo (+2,2%), Vigo (+2,1%), Pontevedra (+1,8%), Compostela (+0,8%), A Coruña (+0,3%) e Ferrol (+0,1%). Así, Vigo rexistra hoxe un prezo medio de 9 euros/m2, seguida pola Coruña (8,4 euros/m2), Compostela (7,7 euros/m2), Pontevedra (7,3 euros/m2), Lugo (6,3 euros/m2), Ourense (5,9 euros/m2) e Ferrol (5,1 euros/m2). Un bono de 250 euros de axuda ao alugueiro: coñece os requisitos e como solicitalo Datos estatais No conxunto do Estado español, o prezo do alugueiro de vivendas incrementouse 4,2% durante os últimos tres meses, entre abril e xuño. Ao remate de xuño de 2022, arrendar unha vivenda tiña un custo de 11,2 euros por metro cadrado, unha cifra que é 1,6% máis elevada que a rexistrada ao feche do mes de maio e 4,8% máis en comparación interanual. |
NOS_36660 | A plataforma das Artes Escénicas continúa a pedir á Xunta que non deixe morrer ao sector. O BNG presentou unha proposición no de Lei na que solicitan a recuperación da Consellaría de Cultura, un proceso de diálogo e varias medidas concretas como a reprogramación dos fondos destinados á Cidade da Cultura. | Catro membros da Plataforma Galega das Artes Escénicas e Músicais acompañaron no Parlamento a Ana Pontón, voceira de Cultura do BNG, na presentación dunha Proposición non de lei para o seu debate en Pleno. A proposta nacionalista realízase após "o momento de especial dificultade" polo que atravesa o sector e o que a propia deputada do BNG cualificou de "estratexia do PP que entronca cos ataques á nosa língua e a todo o que son os nosos sinais de identidade". Na presentación, o voceiro da Plataforma, Salvador del Río, pediu "solucións conxuntas e diálogo". As propostas do BNG comezan por iniciar "coa máxima urxencia un proceso de diálogo" cos diferentes sectores e asociacións representativas da cultura galega, "coa finalidade de acordar cos mesmos as medidas e actuacións que debe realizar a Xunta en materia de política cultural". A reforma, para a formación nacionalista, ten que ser de estrutura da propia Xunta e propoñen a recuperación da Consellaría de Cultura "como ente autónomo" e non como funciona na actualidade. "É falso que a Xunta non teña cartos para a cultura" Unha das peticións que mobilizou o sector, a paralización das redes de programación, recóllese nesta Proposición do BNG que considera "urxente" a súa convocatoria para este semestre e o seguinte. "É falso que a Xunta non teña cartos para a cultura". Ana Pontón explicou que na proposta do BNG figura unha reprogramación dos fondos destinados á actividade da Cidade da Cultura para destinar estes recursos para axudar aos diferentes sectores. Por último, o BNG propón estabeler medidas de carácter fiscal, de xeito que a compra de produtos culturais poda desgravar no tramo autonómico do IRPF. Lucho Penabade, membro da Plataforma, sinalou na presentación desta Proposición, que "a Xunta non pode adiar máis esta situación" e cuestionou mesmo o propio funcionamento do AGADIC. |
NOS_4518 | A veciñanza está convocada para asistir ao pleno do Concello de Vigo para impedir a colocación do barco na rotonda de Coia. O pleno comeza ás 9 da mañá. | Ás 9 da mañá comeza o pleno no que se tratará as obras para a instalar o barco na rotonda de Coia á que se opón a veciñanza. Ata o momento a forte oposición veciñal impediu que as obras se desenvolveran e chegara ao fin o plan do alcalde Abel Caballero cun orzamento de 300.000 euros. A veciñanza está chamada a asistir ao pleno para mostrar o rexeitamento popular á intención do goberno de instalar o barco Bernardo Alfageme na rotonda. A previsión é que o alcalde materialice o seu obxectivo nos vindeiros días mais, malia iso, segundo sinala o xornal Vigodixital, o convenio provincial para o sector da construción sinala como días festivos desde este 22 de decembro até fin de ano polo que, como mínimo, as obras na rotonda terán que se paralizar até 2015 a non ser que o alcalde saltase o acordo de calendario laboral. |
NOS_40306 | Na Galiza deberán entregar os "libros maior e diario" correspondentes aos anos 1997, 1998 e 1999. Segundo o xuíz instrutor, a documentación requirida non fora remitida nin á Audiencia nin ao Tribunal de Contas. A contabilidade corresponderíase á etapa de Pablo Crespo como responsábel de Organización | O xuíz Pablo Ruz disponse a entrar de cheo na contabilidade do Partido Popular. Após as últimas declaracións xudiciais que confirman a veracidade das notas recollidas polo ex-tesoureiro Luís Bárcenas, o maxistrado vén de requirir á dirección do Partido Popular os libros de contas da sede central e das delegacións territoriais da Galiza, Cantabria, Catalunya e Málaga, Sevilla e La Rioja. A documentación requirida foi solicitada por non ter sido entregada con anterioridade e non atoparse, tampouco, no Tribunal de Contas. Segundo o auto emitido esta sexta feira, a documentación demandada correspóndese cos pagamentos de terceiros percibidos pola organización entre os anos 1985 e 2005. Aliás, Ruz solicitou que lle foran entregados os rexistros dos pagamentos en concepto de gastos de representación entre 2004 e 2012 así como o libro de visitas da sede que o partido ten na rúa Génova (Madrid). O PP deberá entregar á Audiencia os libros de contas correspondentes aos anos en que Pablo Crespo era secretario de Organización A sombra de Pablo Crespo cínguese arredor de Feijóo No caso galego, o Partido Popular deberá entregar os "libros maior e diario" correspondentes aos anos 97, 98 e 99. Época en que Pablo Crespo --imputado na Operación Gürtel e considerado número 2 da trama-- era responsábel de Organización. Cómpre lembrar que Crespo recoñeceu a pasada quinta feira ter desenvolvido un pagamento por valor de 124.000 euros a nome de Álvaro Lapuerta. A declaración do ex-secretario de Organización viña a confirmar máis unha das anotacións recollidas por Bárcenas. Na comparecencia de imprensa posterior ao Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo declinou valorar as afirmacións do que foi compañeiro de filas asegurando descoñecer a veracidade das mesmas. Desde a publicación do escándalo arredor dunha suposta contabilidade B no Partido Popular, o actual presidente da Xunta de Galiza capeou as acusacións afirmando que, naquela altura, el "non militaba no PP". Porén, Crespo e Feijóo partillaron --para alén de militancia-- responsabilidades de goberno cando Feijóo era conselleiro de Política Territorial. |
PRAZA_1969 | As dúas formacións acudirán ao debate aberto do Encontro Cidadán por unha Marea Galega do 12 de setembro. Beiras pide "responsabilidade" aos partidos e Vence apela ás bases de Podemos. A formación morada non renuncia ás siglas para as xerais pero si o faría de cara ás autonómicas | BNG e Anova volveron insistir este sábado tras senllos cónclaves das súas direccións en apostar por unha "confluencia o máis ampla posible" en Galicia de cara ás eleccións xerais e fixeron apelacións a Podemos para que se integre en pé de igualdade nesa lista unitaria. No entanto, a formación morada insiste en que ese "suxeito político galego" polo que tamén din apostar se "federe" coa "ferramenta de cambio fundamental" no Estado, en referencia á súa propia formación. "Quen non estea disposto a saltar os marcos da súa finca, será responsable" advirte Beiras "Quen non estea disposto a saltar os marcos da súa finca e a articularse, sexan as mareas municipais, que non sexan quen de articular unha marea galega; sexa Podemos, queu intente impoñer unha estratexia de partido a nivel de Estado; ou sexa o BNG, que queira ser outra vez protagonista do nacionalismo galego; será responsable", dixo Beiras, coportavoz nacional de Anova, formación que tras celebrar a súa coordinadora insiste en que "traballará" por unha fórmula "que poña o pobo galego por diante e por riba" das "condicións ideolócico políticas de cadaquén". Para o tamén covoceiro de AGE, de non poñerse a "esquerda social" por "riba" de calquera organización "de ámbito estatal ou galego, estarase xogando con cartas marcadas". Tanto Anova como BNG anunciaron que estarán presentes no debate aberto que o vindeiro 12 de setembro, convocado polo Encontro Cidadán por unha Marea Galega, se celebrará para intentar sentar as bases dunha candidatura galega unitaria para as xerais. Así, no caso do Bloque, o seu Consello Nacional aprobou a súa proposta política para estes comicios na que aposta por "promover un amplo proceso social coa finalidade de articular unha candidatura nacional galega de unidade" e, nese sentido, aclara apoiar "todos os procesos de confluencia que promoven diferentes plataformas e iniciativas". Tanto Anova como BNG anunciaron que estarán presentes no debate aberto que convocado polo Encontro Cidadán por unha Marea Galega "Desde o BNG imos contribuír a que sexa o máis ampla e o máis profunda posible esa integración e esa confluencia de diferentes iniciativas, plataformas e forzas políticas", explicou o portavoz nacional, Xavier Vence, que posteriormente, en declaracións a Radio Galicia, lembrou a "ilusión e esperanza na cidadanía e non só no nacionalismo" por unha candidatura unitaria e apelou tamén "mesmo as bases de Podemos" porque, segundo di, "comprenden" tamén "a importancia dunha lista de unidade en Galicia". Tanto Bloque como Anova apelan directamente a Podemos, sabedores da insistencia da formación en seguir o mandato das súas bases no referendo sobre o modelo de concorrencia e no que se apostou cunha baixa participación por manter a súa marca. Así, o secretario de análise política de Podemos en Galicia, Antón Gómez Reino, aclarou en Radio Coruña a aposta da súa formación por formar parte dese "suxeito político galego" pero insistiu en que "sería iportante que ese espazo de confluencia se federase con Podemos". Xavier Vence apela á "ilusión da cidadanía máis aló do nacionalismo" por unha lista única e ás "bases de Podemos" porque "comprenden" a importancia desta Case a un tempo, Beiras apelaba á "responsabilidade" de organizacións como BNG, Compromiso por Galicia, Esquerda Unida, a propia Podemos ou as mareas municipais para "sacar os marcos da súa finca" e articular ese "suxeito político galego" non só de cara ás xerais, sneón tamén para "o proceso de ruptura que se está a dar na sociedade". Podemos: coa súa marca nas xerais e sen ela nas autonómicas O mandato das bases de Podemos a nivel estatal dificulta agora a confluencia en Galicia, ademais da convicción que desde a formación de Pablo Iglesias se ten de que a mellor fórmula para aglutinar máis apoios consiste en manter a referencia ao seu partido nas papeletas. Non renuncia á marca para as xerais, pero Gómez Reino xa adiantou que si se renunciaría para "diluírse" unha confluencia de cara ás vindeiras eleccións autonómicas. Podemos Galicia aposta por unha federación e non renunciar á marca para as xerais pero si "diluírse" nun espazo de confluencia para as autonómicas Beiras, no entanto, cre que nos atopamos "nunha conxuntura histórica na que calquera que non contribúa" á confluencia de base cidadá "será responsable de provocar a frustración da cidadanía". Ademais, desde o BNG insístese en que "é crucial que o país teña unha gran representación para defender os nosos intereses, un modelo social e económico que nos permita saír da crise, defender os nosos sectores produtivos para xerar emprego e frear a sangría migratoria como consecuencia das políticas nefastas que aplica o PP". Por iso, o Bloque levará a cabo unha campaña política "de difusión e de concienciación da necesidade de ter unha alternativa potente e unitaria galega para ter unha gran representación en Madrid" e que será "un dos eixos da actividade do BNG de aquí á campaña das elección xerais", tamén a través de asembleas abertas nas vilas e cidades. A formación nacionalista pon tamén prazos e considera que na terceira semana de setembro debe estar "clarificado o panorama" para saber cales son as alternativas, as plataformas e as forzas políticas "que conflúen nesa grande candidatura galega" para o Congreso. "Ten que ser unha candidatura para derrotar os proxectos neoliberais e centralizadores que representa a dereita española", rematou Vence. Ademais, a coordinadora de Anova aprobou "encetar" o diálogo para "a elaboración dunhas bases estratéxicas e un preacordo político previo a calquera acordo electoral". Segundo asegurou Beiras, nas conversas "cuns e con outros" hai "un eneorm ámbito de concidencias en cuestións básicas" que deberían rematar nun preacordo. |
NOS_20582 | O sindicato indica que ao remate da vixencia do "acordo de homologación docente" a situación retributiva "segue igual". | "Segundo datos oficiais do INE a evolución dos prezos entre o ano 2010 e o 2020 supuxo un incremento do prezo da vida do 13,27%. É dicir, para falar de recuperación do poder adquisitivo [do profesorado] teriamos que ter unha suba salarial superior a este 13,27% desde o 2010, e esta suba só foi dun 4,02%, o cal quere dicir que o profesorado galego leva perdido un 9,25% de poder adquisitivo nesta década". Esta afirmación corresponde á CIG-Ensino, sindicato maioritario no ensino público de Galiz nun comunicado sobre o acordo retributivo asinado entre a Consellaría de Educación e os sindicatos CCOO e UGT. "Nunca un acordo retributivo como o no verán de 2018 suscitara tan escaso apoio entre a representación do profesorado galego", afirma a central nacionalista. A CIG-Ensino di que a súa negociación fora no seu momento unha "fraude". Afirma que o argumento empregado pola Consellaría e os sindicatos asinantes foi a homologación salarial do profesorado galego co resto do Estado e denuncia que porén, "dous anos e medio despois estamos exactamente como a CIG-Ensino advertiu: igual". Para a CIG-Ensino o resultado daquel acordó "está á vista de todo o mundo". "A escusa montada pola administración e os sindicatos asinantes non se sostén. Supostamente o acordo ía colocarnos nunha mellor posición que a que tiñamos. Para que lle cadraran as contas excluíron conceptos retributivos dalgunhas comunidades". As cifras que ofrece a CIG-Ensino indican que "gañamos unha media de 532 eros menos ao mes que en Ceuta e Melilla, 285 euros menos que en Euskadi ou 216 euros menos que en Navarra. Comunidades como Castela A Mancha ou Cantabria seguen tamén por riba, como estaban daquela". |
NOS_43242 | O conselleiro Francisco Conde nega que por parte da Xunta haxa "ocultismo" nos proxectos que o Goberno galego denomina "tractores" e cos que busca obter fondos europeos de recuperación. | O vicepresidente segundo do Goberno galego e conselleiro de Economía, Francisco Conde, negou en sede parlamentar que por parte da Xunta haxa "ocultismo" nos proxectos que o Goberno galego denomina "tractores" e cos que busca obter fondos europeos de recuperación. A comparecencia do conselleiro na Cámara chegou esta terza feira, 9 de febreiro, após a semana pasada o presidente do Executivo, Alberto Núñez Feixoo, ter anunciado catro novos proxectos para o Polo de transformación da Galiza, unha iniciativa da Xunta que nace da man de 30 empresas -das que só se deu o nome dunha, Reganosa- canda a unha sociedade creada polo Goberno galego e tamén liderada polo sector privado co obxectivo de impulsar e coordinar eses proxectos. Na réplica ao conselleiro, o deputado do BNG Ramón Alfonso criticou o traballo da Xunta "en conxunto con empresas baixo o manto da confidencialidade". Esta maneira de proceder, a xuízo dos nacionalistas, "é pór en bandexa que anden 'feirando' ao mellor ofertante mentres a cidadanía espera por un rescate que non chega". O deputado afeou o Goberno de Feixoo realizar unha xestión "de costas á xente, virada para os intereses das grandes empresas", mentres "os pequenos desaparecen". O BNG cargou ademais contra o PP por oporse no Parlamento a unha moción da formación nacionalista que demandaba un plan de rescate da hostalaría e o turismo e que pretendía cubrir 70% das perdas polas restricións mediante axudas compatíbeis con calquera outra liña pública. Tamén o deputado do PSdeG Juan Carlos Francisco emprazou a Xunta a apoiar os sectores económicos máis afectados pola crise, ao entender que "toda a capacidade de gasto hai que dedicala a reactivar a economía". O socialista puxo como exemplo as axudas da Xunta para a hostalería pois, segundo denunciou, mentres o Goberno galego anuncia 1.900 euros para cada hostaleiro só orzamenta 12 millóns, cando para atender os 21.000 estabelecementos censados en 2021 sería necesario triplicar esta contía até os 36 millóns. Lei de simplificación O vicepresidente urxiu a "axilizar" os proxectos europeos da Xunta, "desenvolver modelos de negocio" e "dinamizar a captación de fondos de socios industriais e tecnolóxicos", polo que aproveitou a súa intervención para pedir "o máximo apoio" aos grupos políticos á lei de simplificación administrativa e reactivación económica, asegurando que o obxectivo da nova norma -que o Parlamento ten previsto votar a finais de mes- é "traballar" para "dotar da máxima seguridade xurídica" e "o máis rápido posíbel" os proxectos empresariais na Galiza. Neste punto, aludiu directamente o Goberno estatal pola situación da industria e reclamou unha transición enerxética "xusta", tras os fechamentos das centrais térmicas das Pontes e Meirama. A oposición e colectivos ecoloxistas están a prepararse para enfrontar a lei de simplificación administrativa, criticando que a pretensión da norma do PP sexa, entre outras, reducir á metade o tempo da Administración para emitir informes sobre empresas e proxectos de impacto no territorio, como poden ser parques eólicos ou centrais hidroeléctricas. Galiza recibiu 570 millóns menos dos que lle corresponderían dos fondos Covid A Galiza recibiu do Goberno estatal 570 millóns menos dos que lle corresponderían dos distintos fondos para a reconstrución fronte á pandemia do coronavirus de aplicárense os criterios que se utilizan no sistema de financiamento autonómico, segundo aseverou no Parlamento galego o conselleiro de Economía, Francisco Conde. Esta cifra responde aos distintos fondos extraordinarios dos exercicios 2020 e 2021 e teñen en conta os denominados 'fondos Covid' do ano pasado en materia de sanidade, educación, transporte... pero tamén atenden as achegas "adicionais ou extraordinarias" en materia de sanidade e plan estatal de vivenda, entre outros, así como o reparto dos fondos europeos React-UE. "Necesitamos que o Goberno concrete os criterios do reparto", subliñou Conde. |
PRAZA_14940 | Xornalistas, colaboradores e lectores apoiaron en Compostela a continuidade da edición galega de El Pais e o mantemento dos postos de traballo. Suso de Toro, Tony Lomba, Julián Hernández ou Uxía participaron nun acto que sinalou a importancia do xornal como "ferramenta que nos axude a construír Galicia". | "Estamos aquí convocados por eles, que son xornalistas e ademais teñen conciencia de seren traballadores. Neste tempo no que todo nolo quitan, onde cada vez máis a política é puro clasismo, unha loita dos ricos contra os pobres, hai que celebrar esta conciencia de seren traballadores e de defender un servizo público. Porque El País é unha empresa privada pero tamén é patrimonio da sociedade". Así falou Suso de Toro no acto que este martes se celebrou en Compostela para apoiar os traballadores do xornal, afectados por un ERE que rematará con 149 empregos, unha ducia deles en Galicia. A mobilización coincidiu co primeiro dos tres días de folga convocados polo comité de empresa de El País. As medidas decretadas pola empresa tamén levaron por diante a edición galega do xornal e o suplemento Luzes de Galicia. Segundo os traballadores, "a supresión de El País Galicia implica tamén a redución do xa exiguo pluralismo informativo na comunidade. Implica que 139.000 lectores do espazo progresista quedarán sen referencia nos quioscos. Implica que unha morea de noticias, se tomamos por boa a definición de "unha noticia é algo que alguén non quere que se saiba", quedarán na cara oculta da realidade". E engaden que "a supresión de El País Galicia implica que na prensa haberá aínda menos páxinas centradas en tratar a cultura galega". Suso de Toro indicou que "en Galicia a meirande parte dos medios están comprados, ao servizo do poder político. Comprados con diñeiro público pero para privatizalos ao servizo do partido que está no poder" Suso de Toro afondou nestas cuestions e indicou que "en Galicia a meirande parte dos medios están comprados, ao servizo do poder político. Comprados con diñeiro público pero para privatizalos ao servizo do partido que está no poder". Dixo que a experiencia vivida "foi unha derrota pero foi un éxito" e engadiu que "quero pensar que Galicia soubo o que tiña estes anos. E se non o sabia espero que saiba agora o que perde". Concluíu que "hai que seguir dando a batalla pola información e pola opinión libre en Galicia". O xornalista cultural Alfonso Pato salientou que "neste xornal empezou a falarse dunha xeración emerxente de creadores, de xente nova que está a renovar en moitos casos as vellas estruturas do poder. Sentiamos por veces que estabamos a escribir a construción dun novo país á par deles". E laiouse de que "non estamos só a chamar a atención sobre o futuro de El Pais senón tamén sobre o futuro de o país. Temos a sensación de que a liberdade a pluralidade e até a democracia están caendo por un terraplén e non podemos botarlle un cabo. Están en xogo moito máis que oito páxinas ou que unha ducia de postos de traballo. Está en xogo unha ferramenta que non axude a construír o país". "Aplicouse sobre nós unha detonación controlada cun obxectivo claro: silenciar a periferia e facer medrar a indiferenza de Madrid cara a nós" Neste senso denunciou que estamos vivindo un "desmantelamento calculado" e que "se aplicou sobre nós unha detonación controlada cun obxectivo claro: silenciar a periferia e facer medrar a indiferenza de Madrid cara a nós". E cargou as culpas sobre Juan Luis Cebrián: "Os cínicos non serven para este oficio. E só dende o cinismo se poden cobrar 13 millóns de euros ao ano e desprezar unhas poucas páxinas que alimentan o sentir dun país". Un acto de xornalistas, colaboradores e lectores Julián Hernández destacou que "un diario non é unha empresa calquera pois ten unha obriga cos seus lectores" No acto deste martes escoitáronse voces moi diversas. Dende Julián Hernández, que destacou que "un diario non é unha empresa calquera pois ten unha obriga cos seus lectores" e que "a información é poder. Se a poñemos en mans duns poucos medios, porémola en mans duns intereses determinados e achegarémonos ao concepto de prensa del movimiento". O líder de Siniestro Total acabou a súa intervención citando a Samuel Beckett: "Serei eu, será o silencio, alí onde estou, non sei, non o saberei nunca, no silencio non se sabe, non podo seguir, seguirei". Ou un lector, Carlos Feijoo, que lembrou un texto de Manuel M. Barreiro no que afirmaba que "abundan as cabeceiras xornalísticas pero escasea a pluralidade informativa crítica. A inmensa maioría dos nosos xornais ofrécense como distintas variantes dunha mesma cepa conservadora". Tamén se fixo fincapé en que "o xornalismo non é competir por sacar antes unha exclusiva, senón que é debullar a catro mans un informe que chega unha hora antes do peche de edición". Tamén interviron dúas alumnas de Xornalismo, que salientaron que "namoramos do xornalismo que tecía cada sinatura e idealizamos a profesión polos seus nomes de pía" e lembraron versos de Pete Seeger: "Non quero os seus millóns, señor. Non quero o seu anel de diamantes. Todo o que quero é o dereito a vivir, señor. Devólvame o meu traballo". Uxía Senlle pechou o acto cunha canción dedicada aos traballadores do xornal, xusto antes de que todos os cidadáns participantes no acto contasen un a un até 149. A cifra de persoas que perderán o seu emprego co ERE impulsado pola empresa propietaria de El País. Blog dos traballadores de El País Galicia |
NOS_14332 | Será de máis de 8.400.000 euros. | O orzamento da casa real española para 2021 será de 8.431.150 millóns de euros, o que supón un incremento dun 6,5% (544.000 euros) respecto ás contas vixentes desde 2018. É a maior suba orzamentaria nunha década. Nos exercicios 2017 e 2018 ese incremento foi do 0,56 e do 0,87% respectivamente. Felipe VI distribúe libremente eses millóns da partida para os distintos gastos, entre eles, as retribucións da Familia Real. Eses 8,4 millóns de euros sirven á Zarzuela para atender as súas obrigacións económicas: desde salarios do persoal até gastos de funcionamento, gastos de protocolo e de representación, etc.. O que non se inclúe na partida, pois vai noutra correspondente a Interior, é o gasto de seguridade e protección relacionado coa familia real. Ademais, hai que lembrar que en marzo Felipe VI retirou a asignación ao rei emérito, perto de 200.000 euros, após diversos escándalos relacionados con Xoán Carlos I. O anuncio do rei emérito de abandonar o Estado español pon o foco na presión xudicial e nas adversidades que a Casa Real observa non só arredor das pescudas que leva a cabo o Tribunal Supremo sobre as finanzas de Xoán Carlos I, senón tamén ao redor do futuro da monarquía como institución |
NOS_48615 | Concluído o longo goberno de Afonso II no ano 842, após cinco décadas de reinado, a morte do monarca representou toda unha convulsión nun reino da Gallaecia que aínda estaba en proceso de consolidación. O feito de o rei morrer célibe e sen fillos, todo a causa da súa vocación relixiosa segundo crónicas posteriores, avivaba, desde había décadas, diversas intrigas cortesás por saber quen sería o sucesor do "príncipe das Galizas", tal e como se coñecía a Afonso en Francia, e soberano de "Yilliquiya", así coñecido na Hispania musulmá. | primeiro en facer valer os seus dereitos ao trono tras o falecemento de Afonso II foi Nepociano, un aristócrata cuxas orixes se situaban na zona oriental do reino e que contaba co apoio de boa parte dos nobres asturianos e vascos. Se ben Nepociano foi tratado como un usurpador nas crónicas máis tardías, é na máis antiga delas, na crónica Albeldense, onde se afirma que Nepociano herdou o trono de Afonso II porque era o seu cuñado e porque o propio Afonso II carecía de descendencia. Se ben as orixes familiares de Nepociano resultan descoñecidas, o feito de o seu nome ser, máis unha vez, de orixe latina ("Nepotianus"), aviva a idea de que este gobernante de curto reinado pertencera a unha aristocracia local onde a influencia xermánica (sueva ou visigoda) foi escasa. Miniatura de Ramiro I recollida no Compendio da crónica de reyes do século XIV. (Foto: Biblioteca Nacional de España) No que coinciden as diferentes crónicas é que, a proclamación de Nepociano como rei non agradou a todos. Con certeza, unha poderosa facción da nobreza galaica considerou o novo monarca como un atranco nos seus intereses. O líder deste partido foi un nobre chamado Ramiro. No Chronicon Albeldense non se menciona a orixe deste mais si nos di que se fixo coa coroa real pola vía da forza, derrotando a Nepociano e facéndose deste xeito co reino ("et sic regnum accepit"). Con todo, os cronistas posteriores, elaboradas polos descendentes de Ramiro, necesitaban dotar a este nobre de sangue real. Isto explica que crónicas como a Rotense e a Sebastianense presentasen a Ramiro como fillo do rei Vermudo I ("filius Veremudi principis") co obxecto de facelo parente, aínda que moi distante, de Afonso II. As orixes galegas de Ramiro Todo indica que Ramiro dispuña de gran influencia en territorio galego, de onde posibelmente era orixinaria a súa familia. Porén, son as crónicas as que precisan como Ramiro se atopaba no territorio vasco na procura dunha segunda esposa, o que permite supor un interese por estreitar lazos coas elites cántabro-vascas mais tamén a falta de control sobre estas. En territorio vasco, lonxe da sede rexia ovetense, contan as crónicas de Afonso III que precisamente se atopaba Ramiro procurando unha esposa cando soubo da coroación de Nepociano en Oviedo. O acontecemento resultou determinante para que Ramiro decidise retornar ás súas terras lucenses na zona occidental da Gallaecia. En Lugo lograría Ramiro congregar un gran exército propiamente galego co obxectivo claro de derrotar militarmente a Nepociano e facerse co trono estabelecido na corte de Oviedo. Ramiro I pasou á historia por ser o primeiro soberano galaico en organizar a defensa do reino perante os ataques viquingos que asolaron as costas galaicas no ano 844 Foi dentro das murallas romanas de Lugo, daquela un auténtico bastión militar, onde Ramiro I recibiu o apoio dos seus aliados; os mesmos que o proclamarían rei en xaneiro de 843. Desde alí, contan as crónicas que o exército de Ramiro "partiu contra os ástures", tomando rumbo cara a Oviedo a través da antiga vía romana que unía a urbe de Lucus Augusti coa setentrional mansio de Lucus Asturum. É a crónica do bispo Sebastián a que precisa que, como resposta, o rei Nepociano reuniu un importante exército formado por tropas maioritariamente ástures e vasconas, un sistema de alianzas que para o mundo académico podería confirmar a orixe galega do propio Ramiro I e da súa liñaxe. No que coinciden os diferentes cronistas é que a comezos do ano 843, nas proximidades da ponte do río Narcea ao seu paso polo lugar de Corniana (Asturias), tivo lugar o encontro entre ambos exércitos. A superioridade do exército de Ramiro colleu por sorpresa ás tropas do rei Nepociano e este decidiu abandonar o campo de batalla perante a deserción masiva da súa hoste. Na súa fuxida, Nepociano decantouse novamente polas terras do leste, a antiga rexión de Primorias, próxima aos Picos de Europa e de onde probabelmente era orixinario este nobre. Até alí se desprazou un destacamento encabezado por dous dos homes de confianza de Ramiro, chamados Sonna e Scipio, onde capturaron finalmente a Nepociano. Apresado e entregado a Ramiro I, o novo rei perdoou a vida a Nepociano mais para evitar calquera posíbel conspiración futura, ordenou cegalo e confinalo nun mosteiro onde non supuxera ningunha ameaza para o seu reinado. Os ataques viquingos No entanto, xa no trono ovetense, Ramiro I sufriu novos intentos de rebelión. O máis grave foi a conspiración dun dos seus cortesáns, de nome Aldroito, un conde palatino que planeaba derrocar o rei a través dun golpe de Estado. Unha conxura na que tamén estaría implicado outro magnate coñecido como Piniolo, tras o que a Crónica Albeldense aínda vía a influencia de Nepociano. Destapada a conxura, Ramiro ordenou executar a algúns dos conspiradores e cegar a outros; un procedemento habitual na época que se ben perdoaba a vida do rival político constituía un castigo exemplarizante que impedía futuros levantamentos. O feito de utilizar este tipo de accións firmes e rigorosas foi o motivo polo que Ramiro I acabaría sendo coñecido co alcume de "vara da xustiza". Mais a pesar dos problemas internos que o soberano afrontou desde a súa subida ao trono, Ramiro I pasou á historia por ser o primeiro soberano galaico en organizar a defensa do reino perante os ataques viquingos que asolaron as costas galaicas no ano 844. En realidade, había anos que o ataque dos lordomanni ou nordmanni ("homes do norte") representaban unha ameaza real. Os saqueadores escandinavos levaban décadas deixando ao seu paso un rastro de desolación no Occidente europeo, e a súa fama espertaba o terror entre calquera monarca da época. A propia Francia de Carlomagno xa sufrira os seus ataques no ano 799 e estes aínda se repetiron en anos sucesivos, entre os que destacan as incursións dos anos 820, 834 e aínda o do ano 842, cando chegarían a Nantes, capital da Bretaña. Desde esta perspectiva, como recordaba Vicente Almazán no seu libro Gallaecia scandinavica(1886), a chegada da ameaza viquinga á Gallaecia apenas era cuestión de tempo. Así, son os Annales Bertiniani os que narran como, apenas dous anos despois do ataque a Nantes, no 844, varias decenas de naves viquingas chegaron ao Cantábrico e atacaron as proximidades da vila de Xixón. Este foi o primeiro ataque dos "nordomanni" sobre "Galizuland", o nome con que os viquingos denominaban ao reino da Gallaecia. Asolada Xixón e outros puntos da costa asturiana, o continxente escandinavo proseguiu o seu camiño até o Golfo Ártabro. Alí, nas inmediacións da Torre de Hércules, conta a crónica Rotense que no antigo Farum Brigantium, o rei Ramiro, xunto a alta nobreza galega, entrou en combate cos viquingos, onde estes perderon boa parte da súa frota e se viron obrigados a fuxir coas súas naves ao sur, ás terras de Hispania. O apoio as artes Mais o reinado de Ramiro I tamén pasou á historia como un tempo propicio para as artes, dando paso á unha maior preocupación da monarquía galaica por ostentar o seu poder. Esta estratexia de reafirmación tomaría forma, principalmente, na capital do reino, Oviedo, onde Ramiro I mandou construír numerosas obras arquitectónicas que combinaban a tradición autóctona, coa técnica franca e os gustos mediterráneos; esta pasaría á historia como a "arte ramirense", que atopa os seus mellores exemplos no palacio real sito en Naranco, e a igrexa de San Miguel de Lillo. Obras, ambas as dúas, coas que se poñían as bases do prerrománico na Gallaecia, á vez que se incorporaban as técnicas arquitectónicas máis innovadoras de Europa; un feito que nos fala dun contexto conectado co mundo franco, o andalusí e aínda con numerosas influencias chegadas do Mediterráneo oriental. É precisamente nun destes edificios, Santa María de Naranco, onde se atopa a única mención escrita á raíña Paterna, a muller coa que Ramiro I contraeu matrimonio en segundas nupcias e que posibelmente pertencía a unha influente familia da zona vasca. Após un reinado intenso, marcado polas convulsións internas, Ramiro I morreu o 1 de xaneiro do ano 850. O reinado de Ordoño I O sucesor de Ramiro foi seu fillo primoxénito, Ordoño, o pimeiro do seu nome no trono da Gallaecia e fillo da súa primeira esposa. Malia que a súa sucesión ao trono non foi precedida de conflitividade, tal e como sucedera con seu pai, os primeiros anos de goberno de Ordoño I víronse marcados por numerosas rebelións no leste do reino, no territorio vascón. Precisamente alí fora o lugar onde Ramiro I mantivera unha posición máis feble e onde, pola contra, Nepociano contara con importantes aliados. Porén, a crónica Rotense fálanos de como esta insurrección en Vasconia contou coa axuda dun continxente hispano-musulmán, o que permite albiscar un interese andalusí por desestabilizar aquelas terras contra a autoridade de Ordoño I. Para boa parte do mundo investigador, é probábel que tras este apoio andalusí se atopase a figura de Musa ibn Musa, valí de Tudela e home pertencente á liñaxe dos Banu Qasi, a poderosa familia de orixe visigoda que dominaba o val do Ebro. As murallas de Lugo, cidade considerada como o grande bastión de Ramiro I. (Foto: Nós Diario) Esta conflitividade no extremo leste da Gallaecia axiña puxo de manifesto a necesidade dunha alianza con outro dos poderes políticos emerxentes nas proximidades do Ebro: o nacente reino vascón de Navarra, gobernado entón por García Íñiguez de Iruña. Non estraña, xa que logo, que durante a insurrección da poboación toledana contra o emir Mohamed I, esta dirixise as súas súplicas a ambos os dous monarcas, "o rei de Galiza e o rei dos vascos", tal e como narra o historiador Ibn Khaldun no século XIV. Un chamamento ao que Ordoño I respondeu enviando un continxente armado no 854 mais que finalmente foi derrotado polas tropas hispano-musulmás na batalla de Guadalacete. Alén dos choques coa Hispania musulmá, outro dos focos de inestabilidade foi o curso alto do Ebro, a zona de expansión pola que Musa ibn Musa intensificou a súa influencia. A construción dunha estratéxica fortaleza nas proximidades de Albelda de Iregua (actual Rioxa) por parte do líder dos Banu Quasi alarmou a Ordoño I e ao seu homólogo navarro. Neste caso, a alianza galaico-navarra tivo éxito e os exércitos de ambos monarcas lograron tomar a fortaleza de Musa ibn Musa tras a batalla de Albelda, no ano 859. As terras navarras e alavesas eran consideradas en épocas de Ordoño I como "os confíns da Gallaecia" Lonxe das terras navarras e alavesas, consideradas daquela como "os confíns da Gallaecia", outra ameaza sacudiu o reinado de Ordoño I; foi a segunda vaga de ataques viquingos que no verán do ano 858 afectou a boa parte da costa galega. Esta tivo como escenario principal a ría de Arousa, desde onde os saqueadores dirixiron as súas expedicións polo territorio, tendo por obxectivo a rica Iria, capital dunha ampla diocese e principal sé relixiosa de toda a Gallaecia. É Vicente Almazán quen sinala como o ataque sobre esta poboación fixo fuxir aos eclesiásticos a un lugar amurallado e próximo: Compostela. Após devastar a comarca, os nórdicos chegaron até as murallas do santuario, onde exixiron un pago en troques de non arrasar o lugar. Finalmente, un enigmático aristócrata galego chamado Pedro, foi o responsábel de organizar un exército e expulsar aos lordomanni de Galiza, destruíndo varias ducias de naves. Unha información que permite supoñer a capacidade militar que, para alén dos monarcas, tiñan determinados nobres no territorio galego. Consciente da vulnerabilidade de Iria fronte as incursións nórdicas, o rei atendeu aos feitos e solicitou ao Papa Nicolás I que permitise trasladar a capital da sé iriense a Compostela, un lugar máis facilmente defendíbel. Non sen reservas, o Papa aceptou a mudanza demandada e o rei encargouse de dotar a Compostela dun señorío maior no ano 858, doando, ademais, un importante patrimonio á Igrexa compostelá. Xunto a esta tamén cabe sinalar a doazón a outros importantes centros eclesiásticos como o mosteiro de Samos, que no ano 853 viu confirmados algúns privilexios, e no que xa se albisca a presenza da raíña Munia ou Muniadonna, con quen Ordoño I contraera matrimonio. Se ben non se dispoñen datos certos sobre a raíña, sen dúbida a súa orixe se situou na zona occidental da Gallaecia, sendo probabelmente o Bierzo ou o Courel. É, ademais, posíbel como apuntan algunhas informacións, que a raíña estivese emparentada coa poderosa liñaxe á que pertencía o conde Gatón do Bierzo, man dereita do rei Ordoño I. A este mesmo aristócrata encargaríalle Ordoño I o afianzamento da autoridade monárquica non só no Bierzo, senón especialmente en Astorga. En realidade, a estratexia de consolidación do poder rexio respondía a un proceso especialmente impulsado por Ordoño I, e co que conseguiu pór baixo o seu control un amplo territorio que xa englobaba urbes como a propia Astorga, Tui, León ou Amaia, esta última en Cantabria. As crónicas coinciden en sinalar o día 27 de maio do ano 866 como o día en que Ordoño I morreu de gota. O seu convulso pero sólido goberno puxo os alicerces do longo reinado de seu fillo primoxénito, o futuro Afonso III. |
NOS_58212 | O Tribunal Superior de Xustiza de Navarra (TSXN) ditamina a anulación dos artigos referentes á súa valoración como mérito para acceder ao emprego público nas zonas mixta e non vascófona, e provoca unha fenda no Goberno de coalición. | A iniciativa a prol da normalización do éuscaro en Nafarroa impulsada polo Goberno de Uxue Barkos (2015-2019) bateu máis unha vez coa intervención xudicial. O Tribunal Superior de Xustiza de Nafarroa (TSXN) estimou parcialmente os recursos presentados por UXT e Sindicato do Personal Administrativo contra o decreto do uso do éuscaro nas administracións, co que o coñecemento desta lingua non puntuará como mérito para acceder á Administración foral por concurso oposición nas zona mixta e non na vascófona, así como tamén á dos servizos centrais no referente, entre outras cuestións, ás notificaciones e comunicacións dirixidas á cidadanía. O TSXN considera que a valoración do éuscaro como mérito "implica unha discriminación na provisión de postos na Función Pública que non se corresponde cos principios de racionalidade e proporcionalidade na valoración do idioma en relación cos postos de traballo nos que este mérito puidese non ser relevante". Segundo o tribunal, o decreto vulneraría dous artigos da Constitución española, o 14, que sinala que os españois son iguais ante a lei, e o 23, que recolle o seu dereito a acceder "en condicións de igualdade" a cargos públicos. Si que observa, pola contra, "plena legalidade" na valoración do éuscaro como mérito cualificado no caso da zona vascófona. Fenda Esta sentenza sobre o decreto do éuscaro, que entrou en vigor en 2017, pode traer consigo o primeiro desencontro entre os principais socios do recente Goberno de coalición que preside a socialista María Chivite -moi crítica na altura coa aprobación do mesmo-. Por unha banda, o PSN mostrou a súa satisfacción pola decisión xudicial, mentres que Geroa Bai solicitou a presentación dun recurso (tan só podería ser xa de casación). Podemos, tamén oposto, solicitou unha xuntanza urxente dos tres socios para "valorar o impacto" do fallo xudicial. |
PRAZA_2367 | O tema é que após tanto bit e algumhas gotas de tinta o resultado é o que é. Oh, surpresa! resulta que nom há umha conceiçom comum em base à que tecer essa unidade. Até hai quem pode pensar que o objetivo de algum destes actores nom era tanto a marea galega mas sim amarear à galega. Que nom é o mesmo! | Navegar é preciso, viver não é preciso. Fernando Pessoa No tengas miedo de perderte, no. El tiempo pasa tan despacio en Sildavia. No hay desiertos. No hay falsa pasión. La Unión Nom nos enganam: Galiza nom é Sildávia, o país imaginário d'As Aventuras de Tintim ao que com tanto êxito cantara na década de 80 o grupo de pop espanhol La Unión. Nem o tempo passa tam a modo na Galiza. Nesta Terra o Tempo corre que dá gosto, aliás, voa que nem o 'pelikano beltza' da bandeira do fitício país dos Balcãs. Tanto é assim que já estamos a 21 de outubro de 2015 (Back To The Future Day) faltando apenas dous meses para as eleições gerais. Deixemo-nos pois de "falsas paixões" e cantemos claro de umha vez! Deixemos de amarear! Já levamos um tempinho a voltas com o tema este da candidatura de unidade para as eleiçons... Cousa bonita esta da unidade! Que chachi é levar-se bem! Seria difícil compilar as dúzias de apelos públicos, tanto colectivos coma individuais, que inçárom webs e redes sociais, mesmo algumha folha de papel, torcendo por conseguir um entendimento entre os agentes políticos actuantes no campo da esquerda e do que nom é tam esquerda deste nosso fermoso país. O tema é que após tanto bit e algumhas gotas de tinta o resultado é o que é. Oh, surpresa! resulta que nom há umha conceiçom comum em base à que tecer essa unidade. Até hai quem pode pensar que o objetivo de algum destes actores nom era tanto a marea galega mas sim amarear à galega. Que nom é o mesmo! O tema é que após tanto bit e algumhas gotas de tinta o resultado é o que é. Oh, surpresa! resulta que nom há umha conceiçom comum em base à que tecer essa unidade. Até hai quem pode pensar que o objetivo de algum destes actores nom era tanto a marea galega mas sim amarear à galega. Que nom é o mesmo! Os que já temos algum que outro triênio nisto, sabemos que hai muitas pessoas especialistas nisto de envolver a pessoal que de boa fé acreditam nestes amareadores profissionais. Diante desta tesitura ✩s do 13 temos moi clara qual é a opçom pola que apostamos, a mesma das últimas eleiçons municipais: a construçom da unidade popular e dumha candidatura aberta a todas as pessoas e organizaçons actuantes na Galiza -bem sejam estritamente galegas, bem estejam estruturadas em organizaçons estatais- que partilhem um programa comum de ruptura democrática com o vigente regime. Em maio de 2015 as marés municipalistas fórom ponto de encontro da esquerda social e da esquerda partidária. Ponto de encontro de ativistas e da cidadania consciente da necessidade desta ruptura. Para ✩s do 13 é algo fundamental o reconhecimento destas marés como os legítimos processos de acumulaçom de forças desta esquerda social e partidária que reconhece o nosso país como necessário sujeito político. Em chave nacional galega. Nem mais, nem menos. É algo fundamental o reconhecimento destas marés como os legítimos processos de acumulaçom de forças desta esquerda social e partidária que reconhece o nosso país como necessário sujeito político. Em chave nacional galega. Nem mais, nem menos. Num momento em que -de Ortegal ao Minho e de baixo a cima, dos baixos mais fundos até as mais outas cuinhas, acolá em riba, 'sursum' de todo- todo o mundo parece comprar o tam deostado discurso 'podemita' (antigamente bloquista/quintanista) de que "nom somos de esquerdas nem de direitas", chama-lhe: nós sabemos de que lado carregamos, aliás, estamos: sempre com @s de abaixo e com o coraçom à esquerda. E se, paradoxalmente, o Podemos decide fazer precisamente na Galiza umha excepcom à calculada ambiguidade que carateriza o partido roxo no resto do Estado -onde nem sobe nem baixa ao/do carro da esquerda- e fazer parte dumha candidatura galega de base marcadamente transformadora, por nós, estupendo! Respeitamos profundamente a quem nom partilhe esta nossa conceiçom, mesmo estamos dispostos a buscar pontos de consenso em multidom de campos e cenários políticos nos que coincidimos ou coincidiremos num futuro. Assim de simples. Hai quem pode duvidar da eficácia desta proposta, pode ser. Mas na verdade, visto o potencial desta estratégia e os sucessos das últimas municipais pensamos que é a melhor das alternativas. Respeitamos profundamente a quem nom partilhe esta nossa conceiçom, mesmo estamos dispostos a buscar pontos de consenso em multidom de campos e cenários políticos nos que coincidimos ou coincidiremos num futuro. Para as das vindouras eleiçons do 20-D, pensamos que já passou o tempo de amarear o pessoal. Comecemos a marear! ✩ Marear v. tr. (1) Governar e pôr em movimento um navio. ≃ manobrar, governar, navegar Amarear v. tr. e pron. (3) Atascar-se um lugar de trolho. |
NOS_49026 | Neste número entrevistamos o escritor Nacho Taibo e a a doutora Cristina López Villar e o seu libro sobre pioneiras do deporte en Galiza, falamos do 'boom' da música infantil en galego, detémonosna ofensiva contra os sistemas públicos de pensións en Europa, e debullamos de man de catro analistas o ansiado camino de Núñez Feijóo cara Madrid. Todo isto, e máis, xa na nosa loxa. | A estrea da serie televisiva 'Fariña', baseada no libro homónimo do coruñés Nacho Carretero, volveu sacar á palestra todos os clásicos do contrabando e narcotráfico galegos e os seus coñecidos vínculos, máis ou menos intensos, con Alianza Popular e, logo, co PP. 'A narcopolítica galega'. "O deporte segue a conservar ese aire machista, racista e clasista co que naceu" afirma Cristina López, profesora na UdC e que vén de publicar 'Pioneiras do deporte en Galicia', un libro editado pola Deputación da Coruña froito do traballo de anos de investigación. Con motivo da reactivación e ampliación da mina de Touro, o xeólogo, consultor ambiental e actualmente secretario executivo de ADEGA, Fins Eirexas, ofrece un percorrido pola normativa relativa ás explotacións mineiras e recolle os casos que non serían posíbeis sen o binomio administración empresa. 'O papel das administraciónas nas desfeitas mineiras. Greve laboral, estudantil, de coidados e de consumo; mobilizacións sociais masivas e un 'nunca máis' á desigualdade e discriminación de xénero en todos os ámbitos. O 8 de marzo deixa o listón ben alto e pon sobre a mesa retos e responsabilidades en diferentes campos, moi especialmente no da política. 'Após o éxito do 8 de marzo: agora que?' 'Feijóo na "Nacional VI" Alberto Núñez Feijóo nunca acabou de ter os pés na Galiza. A cada pouco alimenta, por activa ou por pasiva, especulacións e ruxerruxes sobre o seu paso á política estatal. Apoiado nunha esfera mediática extremadamente amábel con el e co seu partido, o presidente da Xunta realiza xiras periódicas polos platós e xornais madrileños, opina e matiza a dirección do PP e aparece ben como duro recentralizador, ben como facción progre da dereita española. Sobre o proxecto 'O Diario Galego' conversamos con Anxo Angueira, escritor e presidente da Fundación Rosalía; con Sole Felloza, fotógrafa, narradora e actriz; e con María Casar, presidenta da A.C. Ergueitos. En 'Xi Jinping, un presidente sen límites', O director do Observatorio da Política Chinesa, Xulio Ríos, deita algunhas chaves para comprendermos o que está a acontecer en China. 'Os orzamentos estatais marcarán a caducidade da lexislatura'. A aprobación, ou non, dos Orzamentos Xerais do Estado será un factor determinante na política española. Non polas súas implicacións económicas ou financeiras, senón, e sobre todo, polo que ten de apoio parlamentar ao goberno de Rajoy. O fracaso do PP nesta tarefa podería provocar unha moción de censura ou novas eleccións. As importantes mobilizacións de persoas pensionistas e xubiladas na Galiza e no Estado español están a sinalar co dedo unha problemática (no fondo, a crise e o reparto da riqueza) que tamén acontece en Europa. Como son os sistemas de pensións noutros Estados? Que trazos teñen? Como responden ao novo escenario evidenciado pola crise? Procuramos unha resposta desde un dos territorios coas prestacións máis baixas da Europa desenvolvida. 'Galiza e o mapa das pensións en Europa'. Setenta e nove concellos galegos están a piques de as súas respectivas regularizacións catastrais, o chamado "catastrazo", unha medida impulsada polo Goberno do Estado na última lei aprobada en 2012 en que collía de todo: desde o remate da dedución por adquisición de vivenda á imposición dun gravame para os premios da lotaría ou a suba do prezo do tabaco. No medio, a activación dun proceso de regularización co obxectivo de "mellorar a loita contra a fraude fiscal". 'O catastratzo' dos 22 millóns'. 'O mapa de sawley: Galiza arredor de 1.150'. É unha referencia na cartografía medieval europea. Influído por traballos anteriores, moi particularmente polos do Beato de Liébana, o Mapa de Sawley está datado arredor de 1150, servindo de orientación a outras cartografías posteriores, como a de Hereford, Ebsfort ou o Salterio. E ntrevistamos Xosé Ignacio 'Nacho' Taibo (Madrid, 1949), a quen a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) recoñecerá coa Letra E nunha homenaxe que terá lugar en Oleiros no mes de xuño. "Busquei sempre a orixinalidade'. Dun tempo a esta parte, os libro discos dirixidos á infancia inzan andeis de bibliotecas e librarías. Rechamantes, coloridos, son o elemento máis vistoso e tanxíbel dunha explosión, a da música para crianzas, que ocupa listas de vendas e a non poucos intérpretes de prestixio. 'O mundo das cancións pequeñas'. O 'Boom' da música infantil. ' E non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, David Otero, Nachortas e Tokio, Francisco Castro, Mercedes Espiño, Colectivo Xea, Mario Regueira, Andrés Castro, Baldo Ramos e Miriam Ferradás. |
PRAZA_8676 | Traballadores e traballadoras do naval e doutros sectores e empresas, afectadas polas preferentes e vítimas dos desafiuzamentos, e representantes da MMM entre outros, denunciaban a situación económica do concello e da comarca. O pleno foi suspendido e os concelleiros do PP abandonaron a sala. | Hai días nos que a carraxe pola situación económica estoupa necesariamente. Hai razóns para a protesta, tantos coma desempregados e tantos como conflitos laborais ou sociais. E a comarca de Ferrolterra ten moito de todo iso. Precesiamente este xoves coñecíanse os datos da EPA que sitúan a taxa de desemprego en Ferrol no 32% da poboación activa. Traballadores e traballadoras do naval e doutros sectores e empresas, coma Poligal, Maderas del Noroeste, Tecnymo ou FIMO, da sanidade e do ensino, afectadas polas preferentes e vítimas dos desafiuzamentos, e representantes da Marcha Mundial das Mulleres, entre outros, concentráronse ante a Casa do Concello de Ferrol coincidindo coa celebración do pleno municipal. Protestaban pola situación económica, e sobre todo pola que viven o concello e a comarca e demandaba a dimisión do goberno municipal. En paralelo os traballadores de Navantia en Ferrol ocuparon o edificio da dirección e os de Fene pecháronse na fábrica. Mentres, no Concello a protesta subiu dende a rúa até o mesmo Salón de Plenos. A chegada do alcalde popular, Rey Varela, elevou o ton e a intensidade das protestas e dez minutos despois o pleno quedaba suspendido por primeira vez nos últimos trinta anos. Os concelleiros do PP abandonaron o salón e pecháronse nunha sala contigua, mentres os representantes de PSOE, EU e BNG ficaron no Salón de Plenos. Despois de case unha hora os manifestantes foron abandonando o edificio. |
PRAZA_8769 | Un grupo secreto de expertos elabora a modificación lexislativa e nin Xustiza nin Sanidade achegan dato ningún sobre os asesores que preparan o novo texto. | Silencio absoluto. Nada se sabe nin nada transcendeu acerca de quen son as persoas que asesoran o Goberno para elaborar a reforma da actual lei do aborto. Desde o Ministerio de Xustiza tan só sinalan que é un "grupo de expertos" o que traballa sobre o texto. No Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade remiten ao departamento que dirixe Alberto Ruiz-Gallardón, "que é quen está a traballar niso e quen facilita toda a información". "É un segredo absoluto", di o colectivo de clínicas acreditadas para interrumpir o embarazo Na Organización Médica Colegial, que agrupa a todos os colexios oficiais de médicos de España, non lles consta que desde Xustiza se solicitase asesoramento algún. Tampouco se pediu información á Asociación de Clínicas Acreditadas para a Interrupción Voluntaria do Embarazo (ACAI), que agrupa a moitos dos centros médicos que realizan preto do 98% dos abortos. "É un segredo absoluto", afirma a vicepresidenta da entidade, Francisca García, quen explica que o ano pasado solicitaron unha reunión co Ministerio de Xustiza para ofrecer a súa experiencia e aínda esperan unha resposta. Cando en setembro de 2008, o daquela Ministerio de Igualdade anunciou a elaboración dunha nova lei do aborto, deuse a coñecer a listaxe do comité de expertos que asesorou ao Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero na elaboración da actual Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo. O grupo estaba formado por catedráticos de Dereito Penal como José Luís González Gussac, ou especialistas en ginecología e obstetricia como Javier Martínez de Salmeán ou Elena Arnedo. De forma paralela aos traballos deste comité, a Comisión de Igualdade do Parlamento creou unha subcomisión para "estudar e elaborar conclusións sobre a aplicación da lexislación en materia de interrupción voluntaria do embarazo". Durante máis de cinco meses preto de 30 comparecentes, propostos por todos os grupos parlamentarios, ofreceron información no seu ámbito de traballo. Acudiron organizacións de mulleres, expertos en planificación familiar, en diagnóstico prenatal, catedráticos de Dereito Constitucional e asociacións contrarias ao aborto, entre outros. As conclusións aprobadas foron remitidas ao Goberno, que incluíu algunhas das propostas no borrador da lei. A oposición pediu a relación de expertos e critica o "escurantismo" co que se leva a cabo a reforma O PSOE pediu por escrito ao Goberno a relación de expertos que está a asesorar ao Ministerio de Xustiza para a reforma da lei. "Que ten que esconder Gallardón sobre as persoas que lle asesoran nesta materia", pregúntase a secretaria segunda da Comisión de Igualdade, Anxos Álvarez, quen cre que "é imprescindible que se coñezan os nomes de quen se supón que aconsellou devolver ao Código Penal o dereito a decidir das mulleres sobre a súa maternidade". Desde o grupo parlamentario Izquierda Plural, o seu portavoz na Comisión de Xustiza e Sanidade, Gaspar Llamazares, critica que "o Goberno que preside Mariano Rajoy decidise pór en marcha unha reforma co alcance e o calado social da actual lei de interrupción voluntaria do embarazo presionado polo lobby da Igrexa". O deputado, que participou na subcomisión da anterior lexislatura, subliña "o escurantismo con que se está levando a cabo a reforma, sen contar con ningún dos colectivos relacionados con esta lexislación, como son os grupos de mulleres, os profesionais sanitarios ou os xuristas". |
PRAZA_20872 | Dous meses despois de anunciar unha mellora da situación no norte do país, o Goberno galego fai oficiais no DOG as novas restricións, que revelan un empeoramento no concello coruñés | Dous meses despois de anunciar unha mellora da situación no norte do país, o Goberno galego fai oficiais no DOG as novas restricións, que revelan un empeoramento no concello coruñésO pasado 19 de novembro a Xunta anunciou a súa decisión de levantar en nove concellos a prohibición de plantar pataca pola praga da couza que a vén afectando desde que se detectou por primeira vez en Galicia en 2015. Fíxoo nunha nota de prensa que nada dicía de que a situación empeorase noutras zonas. Pero aquela decisión non se fixo oficial ata este venres, dous meses despois, coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), onde tamén se sinala que a situación empeorou en Arteixo, coa couza xa detectada en parroquias que antes eran só consideradas zona tampón aínda non afectada.O DOG deste venres, polo tanto, permite plantar patacas con medidas de seguimento por parte da Consellería do Medio Rural en Cariño, Ortigueira, Neda, Lourenzá, A Pastoriza, A Pontenova, Riotorto, Ribadeo e O Valadouro, que deixan de ser consideradas zonas infestadas e pasan a ser zonas tampón.Pola contra, considérase zona infestada na provincia da Coruña a totalidade da superficie dos concellos de Mañón, Muxía, Narón, San Sadurniño e Valdoviño e das parroquias de Sorrizo e Chamín no concello de Arteixo, de Lendo e Caión, no concello da Laracha, e a parte sur da parroquia de Noicela, no concello de Carballo. Na provincia de Lugo considerase como zona infestada a totalidade da superficie dos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Mondoñedo, Trabada, O Vicedo, Viveiro e Xove. Como zona tampón considérase na provincia da Coruña a totalidade da superficie dos concellos de Cabanas, Cariño, A Capela, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Moeche, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez e A Somozas, unha franxa de 5 quilómetros limítrofe cos concellos infestados que afecta parcelas dos concellos de Cee, Camariñas, Dumbría, Fisterra e Vimianzo e, ademais, as parroquias de Monteagudo, Barrañán e Armentón no concello de Arteixo; Rebordaos, Vilela e a parte norte da parroquia de Noicela no concello de Carballo; e Cabovilaño, Lemaio e Torás, no concello da Laracha. Na provincia de Lugo a zona tampón supón os concellos de Abadín, Lourenzá, Ourol, A Pastoriza, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto e O Valadouro e unha franxa de 5 quilómetros limítrofe cos concellos infestados que afecta parcelas do concello de Muras.A couza da pataca (Tecia solanivora) chegou a Galicia no ano 2015 (nos concellos de Ferrol, Narón e Neda). De Ferrolterra estendeuse un ano despois polo Ortegal e a Mariña lucense e a comezos do ano 2017 afectaba xa a 31 concellos do norte das provincias de Lugo e A Coruña, entre críticas ás administracións pola inacción amosada ata ese momento. En marzo dese ano o Ministerio de Agricultura obrigou a destruír os cultivos nesas zonas afectadas, impoñendo controis no almacenamento e transporte dos produtos para evitar o contaxio a outras comarcas.En xuño do ano 2017 a Xunta deu por "controlada" a praga na provincia da Coruña, un optimismo que nese momento foi contestado por expertos como o enxeñeiro técnico agrícola Óscar Antón Pérez e pola propia Comisión Europea. De feito, en marzo de 2018 coñecíase que a couza superara as medidas de control da Xunta e chegara a Muxía, rexeitando o PP no Parlamento investigar as causas da expansión da praga.A produción galega de pataca leva en constante descenso dende o ano 2009, pasando das 537.084 toneladas recollidas ese ano ás 371.983 do ano 2019. Con todo, as cifras do pasado ano (o último con datos oficiais) reflicten o primeiro repunte desde 2014, logo de descensos continuados durante os últimos cinco anos. |
PRAZA_2151 | A Consellería do Mar réstalle importancia a que a anulación ditaminada polo bipartito fose legal e culpa o Executivo de PSdeG e BNG da indemnización á que a Administración foi condenada o pasado febreiro. | Un clásico que semella condenado a non descansar en paz. Xa transcorreu máis dunha década dende que o 28 de xullo de 2005, cinco días antes de que Emilio Pérez Touriño tomase posesión como presidente, o Consello da Xunta dirixido por Manuel Fraga e vicepresidido por Alberto Núñez Feijóo aprobase definitivamente a autorización para construír unha piscifactoría da empresa Insuíña, filial de Pescanova, no espazo protexido de Cabo Touriñán. A comezos deste 2015 a "nulidade de pleno dereito" daquela autorización ficaba definitivamente ratificada no Tribunal Supremo, así como a legalidade da paralización ditaminada polo Executivo bipartito en 2006. No entanto, o actual Goberno teima en defender aquel proxecto. Hai escasos días a Consellería do Mar remitiu ao Parlamento a resposta a unha pregunta na que, o pasado marzo, a deputada do BNG Ana Pontón cuestionaba o Goberno sobre a "asunción de responsabilidades políticas tras a sentenza na que se declara ilegal o permiso outorgado polo Goberno galego" para a construción desta piscifactoría. Lonxe de admitir a devandita ilegalidade evidenciada polo alto tribunal o departamento de Rosa Quintana insiste en defender a planta e, asemade, culpa o bipartito da indemnización á que a Xunta foi condenada para resarcir a Pescanova pola anulación, compensación contra cuxa contía a actual Xunta non argumentou nos tribunais. A Consellería réstalle importancia a que a anulación ditaminada polo bipartito fose legal e a autorización do PP, "nula de pleno dereito" segundo o Supremo Neste documento Mar réstalle importancia ao feito de que "dende unha perspectiva xurídico-formal" a anulación da piscifactoría fose legal, tal e como ditaminou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e referendou o Supremo, para entrar a valorar aquela decisión en "termos de acerto e oportunidade". Para o gabinete de Feijóo "resulta evidente" que, ao anular a decisión que o actual presidente avalou como conselleiro -a autorización urbanística dependía da súa Consellería-, o Executivo de PSdeG e BNG "optou pola vía máis lesiva para os intereses da Administración autonómica". Chega a esta conclusión, afirma, "á vista" da sentenza de febreiro, que condena a Administración a pagarlle 1 millón de euros a Pescanova polos "gastos nos que tivo que incorrer na tramitación do proxecto" autorizado ilegalmente. O actual Goberno culpa o Executivo de PSdeG e BNG da indemnización á que foi condenada, contra cuxa contía a Xunta non argumentou nos tribunais Segundo a Consellería, "o axeitado" sería que o bipartito "examinase dende unha perspectiva rigorosamente técnica se a futura execución do proxecto podería comprometer os valores naturais" do Cabo Touriñán e a súa contorna, "outorgando ou denegando motivadamente a preceptiva autorización". Pero "o bipartito -acusa- optou non só por cercenar a eficacia do Plan Sectorial de Ordenación Territorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria na costa galega con respecto a aqueles espazos ubicados en Rede Natura", senón tamén "por suspender a tramitación dos proxectos sectoriais presentados ao amparo de dito plan cuxas instalacións se proxectasen sobre tales espazos". Tras a anulación Feijóo acusou a Xunta de atentar contra os "dereitos constitucionais" do presidente de Pescanova Así as cousas, para o Goberno a sentenza non é froito do mal proceder do Goberno do PP, senón da "decisión adoptada polo Goberno bipartito", que segundo o actual Executivo debera seguir adiante coa tramitación do parque ata "outorgar ou denegar motivadamente as autorizacións preceptivas". Segundo o Tribunal Supremo, "dita planta en modo algún era conforme á legalidade urbanística" e por iso foi legal unha anulación que, para Feijóo, era "desoladora" e atentaba contra os "dereitos constitucionais" de quen daquela era presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa. "A ecoloxía -proclamaba daquela Feijóo- empeza polas persoas". |
NOS_43005 | O Interplay de Carballo rematou este sábado coa publicación do seu palmarés. E nel triunfaron, de entre máis de 200 propostas recibidas de todo o mundo, dúas series, a catalá Nosaltres e a española Gente hablando. | A webserie Nosaltres, capítulos de dez minutos sobre o acoso, a relación coa familia ou a mocidade, levou os galardóns á mellor serie estatal, á mellor dirección -María Medinilla e Roger Grau- e mellor actriz -Paula Jornet. De "obxectivo claramente pedagóxico", realizouse coa supervisión de profesores de secundaria. Produce a Fundación Montblanc. A outra triunfadora do certame foi Gente hablando. Premio do público, mención especial do xurado -composto por Manuel Bartual, Christian Flores, Natalia Flores, Marta Piñeiro e Daniel D. García-, e distinguida polo guión -de Álvaro Carmona- e polo actor -Ramón Barea. Serie de autor da plataforma de contidos dixitais Flooxer, de Atresmedia, estrutúrase en episodios de dez minutos centrados nunha conversa entre dúas persoas. Noutras categorías, venceron As cousas do choio, un videoblog protagonizada polo ocotoxenario Juan O Choio, mariñeiro youtuber, que se fixo co premio á mellor serie en versión orixinal en galego. Houbo ademais mención especial para Cativos na cociña, que "ofrece produtos e receitas da Galiza enxebre a través dos ollos do cativo". A mellor serie internacional foi para a arxentina Tarde baby, que retrata un futuro post apocalíptico en que Malena Pichot e Charo López sobreviven a forza de alfajores caducados e veneram a tenista Gabriela Sabatini. O xurado novo -Carlota Añón Varela, Uxía García Jiménez e Sandra Romero García- outorgou o seu premio á segunda temporada da comedia musical Mambo, de David Sainz, que tamén se fixo co premio á mellor campaña de difusión en liña, mentres que o premio ao mellor "Dinosaurio" foi para Beti, de Séver Producciones. |
PRAZA_5727 | Este mércores pola tarde un acto cívico organizado polo Ateneo de Santiago e a Asociación O Galo en Boisaca servirá de homenaxe a Maruxa e Coralia Fandiño. O pasado ano denunciouse que o estado de abandono no que se atopaba a súa tumba. | En febreiro do pasado ano unha nova de prensa denunciou o estado de abandono no que se atopaban as tumbas de Maruxa e Coralia Fandiño, As Marías, no cemiterio de Boisaca. Represaliadas en vida pola militancia anarquista da súa familia, ignoradas, ocultadas ou esquecidas as razóns do seu sufrimento e do seu illamento, foron convertida nunha anécdota, nun elemento folclórico, símbolo dunha cidade que en realidade non as coñecía. Finadas a comezo dos oitenta, pouco a pouco esta situación foi reparándose. Unha moi fotografiada escultura na Alameda, actos de homenaxe, libros e documentais, serviron para que a súa memoria seguise presente, e para que pouco a pouco fose coñecemento a súa verdadeira historia, que aínda necesita dunha maior difusión e recoñecemento. Hai dous anos Lila de Lilith e As dúas organizaron unha mulleranaxe, unha homenaxe a dúas mulleres que "tiveron que vivir nos seus corpos a represión" polo seu "compromiso ideolóxico indubidable" e o da súa familia. A pesar destes pequenos avances, e de seren un dos símbolos de Compostela, a tumba destas dúas mulleres estaba totalmente abandonada. O Ateneo de Santiago iniciou o pasado ano unha campaña de procura de apoios económicos para colocar unha nova lápida en Boisaca, que ademais fose testemuña do compromiso político e da vida que levaron Maruxa e Coralia. Contaron dende un comezo co apoio da Asociación Cultural O Galo e doutras entidades da cidade. Ano e medio despois, por fin este mércores inaugurarase oficialmente esta lápida, nun acto cívico que se celebrará no cemiterio a partir das seis da tarde. Intervirán o Presidente do Ateneo de Santiago, Salvador García-Bodaño, Mercedes Espiño da A.C. O Galo, Luis Pasín, Encarna Otero, Xosé Luis Bernal e Manuel Fandiño Pampín, familiar das irmás Fandiño. Ademais, o xornalista Nacho Mirás, que deu a voz de alarma sobre o estado das tumbas, acompañará o acto tocando a gaita. Xosé Ramón Pousa, que dende o Ateneo foi un dos impulsores do proceso que se pechará este mércores, salienta as dificultades que atoparon para acadar o obxectivo: "Houbo moitas dificultades, porque estaban en dúas tumbas, e ademais non había uns propietarios claro deses nichos. Houbo que atopar un herdeiro, que se implicou activamente no proceso, e superar un proceso burocrático complexo". Xosé Ramón Pousa: "A cidade débelles moitas cousas" Pousa destaca que "o obxectivo é reivindicar un pouco a figura histórica destas mulleres, que formaban parte da paisaxe humana de Santiago e que foron moi maltratadas pola sociedade compostelá, que aínda que as converteu nun símbolo da cidade, en realidade descoñecía a súa historia. Unha familia represaliada polo franquismo polo seu activismo anarquista". "Nos últimos anos foise coñecendo algo máis a súa historia, pero aínda non é suficientemente coñecida. Débenselles moitas cousas na cidade", conclúe. Por este motivo, o Ateneo chama á cidadanía de Compostela a participar na homenaxe, que se implique "nesta iniciativa para dignificar as súas tumbas", con "afecto e rebeldía", como se pode ler inscrito no mármore. Será unha boa oportunidade para recoñecer a Maruxa e a Coralia Fandiño como merecen, para lembrar como "o acoso dos falanxistas, a represión, a marxinación e a fame se cebaron nelas", como destacou Luz Fandiño na homenaxe realizada hai dous anos, e tamén para poñer en valor como durante as longas décadas de ditadura a súa liberdade foi "a cor naquela cidade tan gris". As Marías, mulleres de luz inmensa na Compostela gris, por Encarna Otero no Album de mulleres |
NOS_22749 | "É un bo día para a democracia en Ourense", celebrou o portavoz municipal do PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, en declaracións aos medios. | O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense anulou a aprobación da modificación de crédito dos orzamentos do Concello de 2021 por un importe de 62,6 millóns de euros, porque o Goberno local non realizou a preceptiva exposición pública. O xuíz, nun fallo ditado o pasado 20 de maio, estima parcialmente un recurso presentado por catro concelleiros do PSOE, e ordena retrotraer as actuacións e realizar a exposición pública por un prazo de 15 días para, unha vez transcorridos, someter a pleno as posíbeis reclamacións que se presenten. Xácome cualifica de "inútiles" os edís do PP que o apoiaron para ser alcalde de Ourense En concreto, esta modificación orzamentaria, que o goberno local presentou co obxectivo de "mobilizar recursos procedentes do remanente de tesourería" e destinalos a "investimentos en infraestruturas e servizos", foi aprobada despois de que o 14 de xuño do pasado ano o alcalde, Gonzalo Pérez Xácome, sometese a pleno unha cuestión de confianza vinculada a esta iniciativa. Tras aquela sesión, na que se rexeitou a proposta, abriuse un prazo dun mes para presentar unha moción de censura cun candidato alternativo á Alcaldía. Con todo, ao non presentarse a moción, a modificación de crédito quedou definitivamente aprobada. "Un bo día para a democracia" Após coñecer o fallo, que o Goberno local xa avanzou que recorrerá, o portavoz municipal socialista, Rafael Rodríguez Villarino, advertiu que o seu grupo pedirá a execución provisional desta decisión xudicial para que "ninguén se salte nin a legalidade nin a democracia". "É un bo día para a democracia en Ourense", celebrou Villarino en declaracións aos medios, á vez que lamentou que o goberno de Xácome, en coalición co PP, empregase no pleno do pasado verán "un rodete para levar a cabo as súas políticas adiante sen permitir que se pronunciase a cidadanía". Que está a acontecer no Concello de Ourense? Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG, Luís Seara, considerou que a sentenza "confirma os argumentos que desde o principio defendeu" o seu grupo, "tanto no debate en pleno como no recurso exposto ante o propio Concello, do que por certo aínda non hai resposta". Para o edil nacionalista, o fallo confirma que o de Jácome é "un goberno de trileiros, que vulnera a legalidade a propósito e que pretende limitar e furtar competencias ao pleno e aos lexítimos representantes da veciñanza". |
NOS_40110 | O Depor cazou un ponto nun campo difícil e perante unha equipa desas que che enlean a vida en calquer momento. Un enorme gol de Riki, a seguranza de Aranzubia e o temple de Juan Domínguez foron o mellor da escadra de Fernando. | O Deportivo dispuxo un moi aseado libreto nos primeiros 20 minutos de xogo. Circulación. Pausa. Ritmo xusto. Balóns aos espazos. E aceleración cando compría. Aí apareceu Riki, nunha carreira con gol que tería asinado Messi. Un longo sprint de 30 metros en solitario. Un dribling á beira da área. Un zapatazo seco. Un gol enorme. Passing game mediante, o Deportivo anestesiou o Betis durante eses 20 minutos até que unha interrupción -o amago de lesión de Pizzi, producido ao tentar culminar unha nova contra- cortocircuitou o xogo dos galegos e acordou o combo treinado por Mel. O Betis aborrece a calma. É unha equipa eléctrica, de idas e voltas. Se o fútbol se embravecía, se se rachaba a harmonía no centro, se se desataba a treboada, os de Fernando o ían pasar moi mal. E así foi. O Betis encadeou varias chegadas polos flancos, máis polo dereito, e Aranzubía voltou a reivindicarse como o que é, peza basilar da equipa. Mas na intertroca de golpes o Deportivo tamén levantou a voz. Chegou con clareza en 2 ou 3 lances e outravolta Riki, desta volta por banda esquerda, abeirou o 0-2. Mágoa que escorase de máis a posición, premido por un zagueiro rival, e perdera ángulo á hora de focar a baliza, a portería bética. Juan Domínguez medra a ollos vistos e cada día ten máis hierarquía No segundo acto, o cambio de decoración foi abrupto. Desapareceu o fútebol control. Prevaleceu a desorde. O barullo. O balón aéreo sobre a circulación arrente do relvado. O Betis comezou a se achar cómodo. Sen noticias de Valerón. Si, en troca, de Juan Domínguez, que medra a ollos vistos e cada día ten máis hierarquía. Co descontrol chegou o gol do Betis, o 1-1, nunha acción que deixou espidas as deficiencias de Kaka, demasiado contemplativo perante Jorge Molina. Cando o fútebol é menos asociativo, o Deportivo sofre máis, especialmente cando se van acumulando os minutos e o chumbo nas pernas. Houbo momentos en que deu a impresión de que ao combo de Fernando lle faltaba osíxeno. O Betis estaba máis inteiro, mas bateu cun pequeno problema: este Deportivo xa non é o dos dous primeiros terzos do campionato, xa non concede tantas opcións de gol, é unha equipa máis compacta. Acertou Fernando nos trocos. A defensa comeza desde a vangarda e Nelson Oliveira achegou oxíxeno. O 1-1 coloca a equipa coruñesa con 31 pontos, 1 por enriba da liña de salvación. Sexto choque consecutivo sen perder. Dos últimos 18 pontos en xogo, o Deportivo obtivo 14. Un rexisto espectacular. Fican 5 xogos por diante. Como costuma dicer o treinador de Castrofeito, aínda non hai nada gañado. |
NOS_17774 | A Xunta vén de poñer a disposición pública o Digalego, un dicionario en liña con máis de 65.000 entradas, logo de llo mercar á editorial Ir Indo. | A Xunta de Galicia vén de poñer a disposición de toda a cidadanía Digalego.xunta.gal, un dicionario en liña de lingua galega con máis de 65.000 entradas. A iniciativa é posible grazas ao acordo acadado entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a editorial Ir Indo, que fixo posible que esta obra, á que a coñecida editorial lle dedicou máis de 20 anos de traballo e investigación, pase a ser propiedade da Administración autonómica. Respecto das súas utilidades, esta ferramenta desenvolve todos os verbos coa súa conxugación, ademais de considerar como entradas todas as formas verbais, e que recolle tamén (baixo o epígrafe "Repertorio de formas incorrectas") unha serie de voces non admitidas en galego (castelanismos, estranxeirismos, vulgarismos, hiperenxebrismos etc.), que remiten á súa forma correcta. Tamén destaca o feito de que se poden buscar palabras partindo de entradas en portugués, castelán, inglés, alemán, francés e italiano e que mostra equivalencias neses mesmo idiomas ademais de en chinés. |
NOS_12446 | As residencias galegas rexistran 28 novos contaxios. | A cifra de persoas maiores diagnosticadas de Covid-19 en residencias da Galiza continúa a súa tendencia ascendente e sitúase en 235, após notificárense 28 novos casos nas últimas horas, segundo consta no parte diario que elaboran as Consellerías de Sanidade e de Política Social. Dos novos contaxios detectados, 18 están vinculados ao gromo do xeriátrico da Pastoriza, que duplica os seus casos activos e pasa a ter 36; seis ao do centro Paz y Bien de Tui, que ascende a 39 maiores contaxiados; e outros dous ao foco da Residencia San Bartolomeu de Xove, que conta con 25 residentes con Covid-19. Nas últimas horas faleceron dúas persoas usuarias de residencias, unha no centro de Xove e outra no de Santa Teresa Jornet da Coruña. Outros cinco usuarios recibiron a alta: dous no centro de Xove, outros dous no Asilo San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo e un na residencia Monte Trega da Guarda (Pontevedra). Tras estas variacións, a residencia DomusVi de Vimianzo continúa como a que ten máis casos activos de Covid-19 entre as e os usuarios, cun total de 72. Seguen a esta, o xeriátrico Paz y Bien de Tui e o da Pastoriza. A San Bartolomeu de Xove conta con 25 maiores afectados, a residencia de Ribeira continúa con 19 e o Hospital Asilo de Ribadeo descendeu até os 18 que figuran na actualización deste sábado, 9 de xaneiro. Por baixo da decena están o centro Santa Teresa Jornet da Coruña, con seis positivos; A Saleta de San Cristovo de Cea, con catro; o CRAPD Vigo II, con outros catro; e a residencia de Burela, a Vila do Conde de Gondomar e os Apartamentos Tutelados San Bartolomeu de Xove, cun caso cada un. Persoal contaxiado En canto ás traballadoras e traballadores dos xeriátricos, o cómputo de positivos ascendeu de maneira importante, até 121, despois de detectárense 26 positivos e tres altas. En concreto, os novos contaxios rexistráronse no centro Paz y Bien de Tui (9), na Pastoriza (8), en DomusVi Vimianzo (4), en DomusVi O Barreiro de Vigo (1), na nosa Señora da Esperanza de Ourense (1), na residencia de Ribeira (1), en San José de Arzúa (1) e na Ballesol de Oleiros (1). As altas correspóndense con dous empregados da Saleta de San Cristovo de Cea e un en Monte Trega da Guarda. Por centros, o persoal máis afectado nos datos deste sábado tamén é a DomusVi Vimianzo, cun total de 24 traballadoras e traballadores infectados, seguida da Bartolomeu de Xove, con 12, e os xeriátricos da Pastoriza e de Tui, con 10 cada un. |
NOS_34965 | O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid ( TSJM) non avala o confinamento perimetral de Madrid. | O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid ( TSXM) non avala o confinamento perimetral de Madrid. A sala do contencioso-administrativo denegou esta quinta feira a ratificación das medidas acordadas polo Ministerio de Sanidade. O auto sostén que, con estas decisións, vense afectados os dereitos e liberdades fundamentais. O tribunal considera que, co actual ordenamento legal, esta limitación non se pode facer mediante unha orde ministerial e fai falta que o Congreso dos Deputados ratifique previamente as medidas. Estes argumentos baten cos expostos pola Audiencia Nacional para rexeitar medidas cautelarísimas, ao entender que non afectaban directamente dereitos fundamentais dos cidadáns. Na súa resolución, os maxistrados sosteñen que "nos atopamos ante un marco legal que difire substancialmente do que foi obxecto de análise" cando a comunidade de Madrid decidiu confinar só determinados distritos da capital española. Agora tratábase da "ratificación do mandato obrigado do ministro de Sanidade" ditado ao amparo da lei de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde. E conclúe respecto diso que esta norma "non contén unha habilitación legal para o establecemento de medidas limitativas de dereitos fundamentais". Fronte a este escenario, os maxistrados consideran que as medidas, como se ditaron, "constitúen unha inxerencia dos poderes políticos nos dereitos fundamentais dos cidadáns sen habilitación legal que a ampare". Como "non foi autorizada polos seus representantes nas Cortes Xerais", engade o auto, "non pode ser ratificada". É o Congreso quen tería que dar luz verde, segundo o TSJM. "Os dereitos fundamentais que a Constitución atribúe aos cidadáns non poden verse afectados por ningunha inxerencia estatal non autorizada polos seus representantes mediante unha disposición con rango de lei", insisten os maxistrados neste sentido. |
NOS_25326 | Jesús Domínguez, presidente da Plataforma de Vítimas do Alvia 04155, está na Galiza para seguir desde a Cidade da Cultura os primeiros días de xuízo polo accidente de Angrois. En conversa con 'Nós Diario' censura a demora e os atrancos de PP e PSOE a unha investigación independente que Europa e as vítimas seguen a reclamar. | —Máis de nove anos despois do accidente de Angrois, que necesitan as vítimas do Alvia?O que necesitamos é que se saiba a verdade, que se coñezan todas as causas e que se faga esa investigación técnica independente que pide Europa, que levamos tanto tempo reclamando. Creo que chegou o momento. A parte de que se diriman as responsabilidades penais no xulgado, o Estado e as institucións teñen que pedir perdón por todas as mentiras e ocultacións que sufrimos ao longo destes nove anos. —Como se senten?Estamos cansas, pero Europa deunos a razón e foise confirmando que todo canto dixemos era verdade. Iso deunos forzas. Se se fixeran as cousas ben moitas vítimas e familiares xa terían pasado páxina, pero agora hai moita rabia e indignación polo trato das institucións e pola falta de transparencia. O único que fixeron foi xerarnos máis dor. Nove anos despois do accidente ferroviario de Angrois, comeza o xuízo en Compostela —Hoxe comeza o xuízo na Cidade da Cultura con só dous acusados no banco: o maquinista e o ex director de Adif. Que esperan deste proceso?A nivel penal falta que se xulgue a responsabilidade de Renfe. Quero recordar que houbo un aviso dun xefe de maquinistas advertindo do perigo da curva e da mala sinalización a dez altos cargos que non fixeron absolutamente nada. E foi Renfe quen solicitou a desconexión do sistema de seguridade ERTMS polos atrasos que xeraba, que posibelmente tería evitado o accidente de Angrois. Logo está a responsabilidade do Ministerio de Fomento como garante último da seguridade. Todo era público: a vía era pública, o tren era público, a posta en servizo foi de Fomento coas deficiencias xa coñecidas, pero aquí ninguén dimitiu. —Non se resolveron as responsabilidades políticas nin se avanzou nunha investigación técnica independente que seguen a reclamar.Toda esta demora non é casual, ao igual que non é a falta de independencia. O único perito independente que veremos no xuízo, o único que saíu por sorteo, é Cesar Mariñas, cuxa peritaxe coincide co informe que realizou a UE e que di que se tiña que ter feito unha análise de riscos cando se modificou o proxecto contemplaba o sistema de seguridade ERTMS que controla a velocidade completamente até Santiago e que se incumpriu a normativa. Que casualidade que aos peritos xudiciais impostos pola Xunta, sen experiencia ferroviaria, lles pareza que todo estaba moi ben e que o único independente concorde con Europa. Aí vemos como coxea este xuízo. A pregunta que se ten que facer a cidadanía é: que temen e por que ningún Goberno, antes o do PP e agora o de PSOE-Unidas Podemos, quixo levar a cabo esta investigación cando a Comisión Europea lla solicitou xa en varias ocasión. Algo terán que ocultar. Vítimas de Angrois exixen que Ana Pastor "asuma a súa responsabilidade" por intentar ocultar o informe crítico coa investigación —Que cambiou na seguridade viaria desde o 24 de xullo de 2013?Neste tempo saíu todo o procedemento de infracción por incumprimento da normativa de seguridade do Estado español desde Europa, que segue aberto, e que ten que ver coas análises de risco que a normativa obriga a facer e con como se levan a cabo as investigacións. Isto fixo que se tivese que crear un organismo específico, a Axencia Española de Seguridade Ferroviaria, un ente "independente", encargado de aprobar as postas en servizo de novas liñas. Os técnicos que nos axudaron de Adif e de Renfe comentan que as cousas se están facendo mellor, pero agora tócalle facer á xustiza facer o seu papel e eu creo que ten que saír condenada Adif para que a próxima vez os técnicos non cedan ás presións dos políticos e antes de pór en servizo unha liña garantan que toda a seguridade cumpre coa normativa. "Ana Pastor mentiu e debe marchar" "Ana Pastor -presidenta do Congreso dos Deputados e Deputadas- é a persoa das institucións públicas que máis traballou por ocultar o que hai detrás desta terríbel traxedia. A bombo e prato, moi compunxida, dixo sempre en sede parlamentaria que non descansaría até saber a verdade, que nisto ten que haber total transparencia, que houbo moita dor. Pero con esa carta que enviou a Bruxelas demostra as presións e manobras para que o informe da Comisión Europea non saíse á luz, porque o que facía era desvelar todas as súas mentiras e ocultacións", censura Jesús Dominguez. O informe da UE, recalca, asegura que o accidente aconteceu nunha liña e cun tren de alta velocidade, que non se fixo unha investigación técnica independente e que hai que repetila. "Á persoa que mentiu ao respecto con 80 mortos enriba da mesa no Congreso e a nós, se lle queda algo de dignidade, a onde ten que ir é a súa casa", conclúe. |
NOS_11487 | O Bloque Nacionalista Galego lanza un documental con motivo dos 40 anos da súa fundación no que xunta históricos dirixentes da formación. | A fita leva por título Setembro do 82, o nacemento da unidade nacionalista e a súa estrea terá lugar a vindeira cuarta feira, 14 de setembro, en Compostela. Será no Teatro Principal ás 20 horas, onde se darán cita figuras históricas da organización xunto ás que agora lideran o partido. O documental recolle o testemuño de Ana Pontón mais tamén de persoas que xogaron un papel relevante na asemblea fundacional de Riazor, entre outras Francisco Rodríguez, Xosé Manuel Beiras, Encarna Otero, Lois Diéguez ou María do Carme García Negro, nomes "chave" para entender o pasado e o presente do nacionalismo galego. O BNG deu a coñecer esta sexta feira os actos de conmemoración do seu 40 aniversario, nunha presentación na que tamén avanzou a publicación dun libro sobre a historia do BNG, unha recompilación que verá a luz ante o pública o próximo 21 de setembro en Vigo: 40 anos ao servizo de Galiza. BNG, 1982-2022. A Galiza de hoxe é moi diferente á Galiza de 1982, mais hai unha cousa que non mudou, e esta é a necesidade dunha forza política emancipadora "Son 40 anos que demostran que o BNG ten un proxecto sólido, cargado de presente e de futuro, porque o Bloque é a forza política da Galicia que vén", proclamou hoxe a voceira nacional Ana Pontón en rolda de prensa, na que afirmou que o BNG naceu "para gañar e ser a forza hexemónica na Galiza". Aniversario "Estamos en disposición de darlle aos galegos e galegas unha alternativa de goberno", resumiu Pontón. A portavoz do BNG compareceu xunto ao presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, quen adiantou ademais destas dúas citas unha terceira na cidade herculina. O 25 de setembro o Bloque festexará o aniversario da súa fundación no frontón de Riazor, na Coruña, o mesmo día e lugar no que botou a andar en 1982 e farao nun encontro con máis de mil militantes e simpatizantes. "A Galiza de hoxe é moi diferente á Galiza de 1982, mais hai unha cousa que non mudou, e esta é a necesidade dunha forza política emancipadora", salientou Ana Pontón. Unha enquisa dá a chave do Goberno galego ao BNG No acto central da Coruña o BNG conmemorará o seu nacemento coa unión da UPG, AN-PG, PSG e outros colectivos independentes. Noas anos 90 a fronte nacionalista consolidou a súa posición. En 1997 conseguiu con Xosé Manuel Beiras como portavoz nacional dar o 'sorpasso' por primeira vez ao PSdeG-PSOE co 24,8% dos votos e 18 escanos. Presenza en Europa Outro dos momentos chave na súa historia foi a chegada do Bloque ao Parlamento Europeo con escano propio, un logro que converteu en eurodeputado a Camilo Nogueira, recoñecido pola Xunta do PP coa Medalla Castelao 2022. Xa na primeira década dos 2000, o BNG, con 13 deputados, alcanzou a Vicepresidencia da Xunta con Anxo Quintana como máximo dirixente nacionalista e gobernou xunto ao PSdeG de Emilio Pérez Touriño, como presidente, ata que en 2009 o adianto electoral devolveu as rendas de San Caetano á maioría do PPdeG. Camilo Nogueira: "Castelao é unha figura moi definitoria da Galiza" Após a caída electoral, o BNG iniciou un período de crise interna que culminou en 2012 coa Asemblea de Amio, que desembocou na fractura e saída de dous grandes bloques internos e a marcha, entre outros, de dirixentes históricos como Xosé Manuel Beiras, que ese mesmo ano concorreu ás eleccións cunha nova marca nacionalista, Anova, en coalición con Esquerda Unida, e irrompeu con 9 deputados por diante do propio Bloque. Resistencia e escalada A segunda década dos anos 2000 foi, para o BNG, un percorrido de resistencia no que chegou a quedar con cinco deputados nas eleccións 2016, en pleno auxe das chamadas candidaturas das confluencias. Coas mareas e candidaturas da denominada esquerda alternativa desinfladas, un BNG á alza conseguiu da man de Ana Pontón, por segunda vez na historia da democracia actual, adiantar o PSdeG nas eleccións autonómicas de xullo de 2020 con 19 escanos, o seu teito electoral até o momento. |
NOS_51942 | O Festival de Vilaxoán reforza a súa aposta nos grupos noveis que cantan en galego. | Xa está aquí a terceira edición do Concurso de música emerxente que organzia o Festival Revenidas. Até o 10 de maio, as bandas que teñan un repertorio en galego de cando menos 6 cancións, que non teñan ningún ou tan só un disco -ou maqueta- publicados e que non tocasen nunca no festival de Vilaxoán de Arousa poden inscribirse, enviando un par de temas e información do grupo, no enderezo [email protected]. Gala no Malatesta De entre as bandas participantes, un xurado escollerá dous finalistas e outros dous han saír das votacións que se habilitarán nas redes sociais do Revenidas. As catro finalistas participarán nunha gala que se celebrará na sala Malatesta de Compostela o 28 de maio, onde será elixida a vencedora -que levará 600 euros e a posibilidade de participar no Revenidas 2016- e onde se dará tamén un premio do público, consistente en 100 camisolas cun deseño personalizado Caramuxo-Rei Zentolo. |
NOS_21718 | Estelar é o resultado da exploración das posibilidades sónicas dunha antiga guitarra Stella. | O guitarrista André Matos vén de publicar un disco en solitario que lle debe o nome ao instrumento protagonista: unha guitarra acústica Stella de baixa gama, dirixida a estudantes e fabricada en Chicago na década de 1960. Segundo as súas propias declaracións, "non é un bo instrumento", mais ten "unha resonancia que me agrada". Estelar / André Matos / Róbalo / 2021 / Dez pezas / 15 euros En realidade, hai algo de historia oculta: as guitarras Stella foron utilizadas por moitos pioneiros da música americana, de Robert Johnson a Doc Watson, e de Leadbelly até o Kurt Cobain dos Nirvana, que gravou a canción "Polly", do Nevermind, cun destes instrumentos. Stella deixou de fabricar guitarras en 1974. Matos comproulle a súa, por 80 dólares, a un luthier que se entretén restaurando vellas guitarras deste tipo. Estelar é o resultado da exploración das posibilidades sónicas da guitarra por parte do instrumentista, nun paquete de dez pezas improvisadas e executadas con diferentes afinacións. A densidade que acada esta proba resulta sorprendente e remite a todo un universo cultural que, probabelmente, leve o ouvinte até algunhas das referencias máis populares da música americana: Neil Young e, sobre todo, Ry Cooder eríxense aquí nunha peza fundamental do noso subconsciente musical e, seguramente, cinematográfico. Matos emprega un slide para a súa pescuda, o que reforza esa atmosfera de lirismo austero tan característico do estilo. O singular do disco é que, dentro dese universo referencial no que algunhas derivacións do blues constrúen un discurso que vai máis alá do musical, algunhas características da guitarra popular portuguesa logran abrirse paso sen que o resultado se altere: o tema "Luz súbita" ou algúns compases de "Só" dan testemuño da versatilidade de Matos para moverse entre alusións musicais de moi diferente carácter. O instrumento, como é lóxico, tórnase protagonista dunha pescuda desenvolta entre timbres e texturas que exhiben toda unha panoplia de recursos sen perder a unidade do disco. A liberdade que dá o punto de partida permite experimentar ("Fadiga do concreto"), entregarse a un lirismo melancólico ("Chuva miúda"), presentar esbozos dunha enorme serenidade ("Aguda") e mesmo ceder á improvisación festiva que trata o blues como materia viva ("Plantas medicinais"). Todo sen que a paisaxe sonora deixe de crear un horizonte que resulta a un tempo familiar e inesperado. En certo sentido, Estelar podía ser unha banda sonora "o último refuxio para a música abstracta", segundo declaraba o propio Ry Cooder. A banda sonora dun filme que, sen dúbida, conta coa beleza entre os seus argumentos. |
NOS_52908 | O auxe do feminismo está posibilitando que xurdan olladas máis complexas e profundas que se centran na análise dos textos con 'voz de muller' e que recuperan escritoras esquecidas. Plataformas como A Sega dan boa conta desta forma de observar o mundo cos lentes lila. | Por que as voces das mulleres non resoan tan forte como as dos homes? Por que a literatura universal segue tendo xénero masculino? É unha das moitas interrogantes que se debaten no libro de Joanna Russ publicado hai pouco tempo baixo o título Como acabar coa escrita das mulleres (en castelán, da man de Dos Bigotes e Barriet). Nos nosos días, e coincidindo coa eclosión do feminismo, estanse recuperando xenealoxías de mulleres en todos os campos artísticos, unha forma de entender o mundo que volve pór o foco nesa outra mirada que faltaba para comprender a realidade que habitamos en toda a súa magnitude. Nesta tarefa de recuperación de mulleres escritoras e das súas obras ten moito que ver a crítica literaria feminista, que se erixe como unha "forma de análise máis global e profunda que a patriarcal, xa que esta última é prexuizosa e na maioría dos casos, cunha visión limitada", segundo salienta María Reimóndez, escritora e unha das impulsoras da plataforma dixital de crítica literaria feminista A Sega. Segundo Reimóndez, o exercicio desta crítica "provoca tensións", ao promover debates antes impensábeis, recoñecer as obras das mulleres ou cuestionar a chamada 'literatura universal'. Polo tanto, as lentes lila non se procuran, senón que "chegan a ti e unha vez que as pos, xa non les nin queres ler sen elas", apunta Ánxela Lema, que exerce tamén a crítica na Sega e considera que "esta non debería ser unha escolla, senón que toda análise literaria debería ser feminista". Ler desde as marxes Di a escritora e crítica Susana Sánchez Aríns que "quando entro numa obra desde o feminismo, no básico, o que me pergunto é se essa obra contribui a mudar ou questionar imaginário patriarcal ou ampará-lo". Todas as persoas entrevistadas para esta reportaxe coinciden en apuntar que o exercicio da crítica literaria feminista é un proceso de formación continua, que comeza coa inquedanza doutras olladas e se fai tecendo con moitas lecturas e cursos. Tal é o caso de Arancha Nogueira, crítica literaria e poeta, quen comezou a decatarse do tratamento estereotipado e hipersexualizado que se lles daba ás figuras femininas nas obras escritas por homes e consideradas universais, que a levou a un desconforto e a querer explorar outras olladas. A crítica literaria feminista, a diferenza da patriarcal, pon o foco nas obras escritas desde as marxes, aquelas que se afastan do universal masculino. Á hora de ler desde o feminismo, moitas son as preguntas que se poden abrir: Cantas personaxes femininas hai? Que relevancia teñen na obra? Aparecen en relación aos homes ou fan un rol por si mesmas? Obedecen a figuras estereotipadas? A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube. |
NOS_55582 | O comité promotor 'Ora Galega' impulsa unha recollida de apoios na rede e unha proposición non de lei no Parlamento galego, que foi existrada polo BNG e o Grupo Mixto. | 2016, ano das Irmandades da Fala. Ese é o obxectivo do comité promotor 'Ora Galega', que vén de lanzar unha campaña para que o vindeiro ano se conmemore o o centenario dunha organización que "supuxo unha nova forma de concibir o país" co "desenvolvemento da consciencia da Galiza, da defensa da súa lingua, cultura e identidade". "Dentro de 10 meses haberá 100 anos que Antón Villar Ponte iniciaba o proxecto de creación da Liga de Amigos do Idioma Galego. E o 18 de maio de 2016, celebrarase o centenario daquela reunión da primeira Irmandade nos salóns da Academia Galega. Dous momentos decisivos no desenvolvemento do que chegaría a ser un dos fitos fundamentais da nosa historia contemporánea", apuntan dende o comité promotor. Piden á Xunta que estabeleza una programa para dar a coñecer "a encomiábel labor desta organización, animada polo propósito de traballar por unha Galiza máis culta, libre, xusta e comprometida consigo mesma". Unha campaña para recoller sinaturas en Avaaz e unha proposición non de lei, que foi rexistrada no Parlamento galego polo BNG e o Grupo Mixto, son os primeiros pasos para acadar o recoñecemento "Considerando o carácter abranxedor e democrático que caracterizou as Irmandades e que figuras chave da cultura galega, a quen se dedicou en diferentes anos o Día das Letras Galegas, foron impulsoras do movemento, instamos á Xunta de Galicia a que declare oficialmente 2016 como ano das Irmandades da Fala", apuntan. A proposición pide así que se estabeleza un programa de actividades e aprobo os fondos necesarios para divulgar en toda a sociedade galega "a encomiábel labor desta organización, animada polo propósito de traballar por unha Galiza máis culta, libre, xusta e comprometida consigo mesma". |
PRAZA_5280 | O Kafloat, que evita ou atrasa o afundimento dos barcos e que foi avalado por Fomento e a Xunta, procura socios que o permitan entrar no mercado e xeneralizar un método que "podería ter minimizado numerosas desgrazas que golpean a pesca galega". | Hai agora trece anos, a empresa galega Kafloat obtivo as patentes para 23 países (EUA, Canadá, 18 da UE, Hong Konk, Xapón e Australia) logo de anos de traballo, dun labor intenso de I+D+i e de elevados investimentos. Foi daquela cando o denominado Sistema Autónomo de Salvamento da Vida Humana no mar comezou a saltar ás portadas, ao comprobarse a súa eficacia para manter a flote un barco sinistrado e como método eficaz para evitar o seu afundimento. Xa en 2003 demostrouse a súa viabilidade técnica e tres anos despois obtivo a certificación por parte da sociedade de clasificación Bureau Veritas. En 2008, a Xunta sacou un concurso para a súa instalación co fin de valorar a súa utilidade, o que levou a que fose instalado con éxito nun buque gardacostas; dous anos máis tarde, un oficio da Dirección Xeral da Mariña Mercante recoñece a súa utilidade pola "importancia que pode ter para a seguridade da vida no mar", tal e como citou este organismo de Fomento, e hai tan só un ano foi definitivamente homologado por parte deste organismo de Fomento. O sistema antiafundimentos busca agora socios e apoio empresarial logo de ser homologado e avalado por Fomento e a Xunta Foi o mariño galegp Vicente López-Pérea o que deseñou, hai máis dunha década, este sistema que agora busca socios e apoio para que sexa implantado e se poidan así evitar máis afundimentos. Sen eses apoios, a súa consolidación industrial e comercial non será posible, malia que a súa eficaciá, segundo os seus promotores, está máis que demostrada. Así o explicaron este xoves na Coruña, onde explicaron que o obxectivo deste sistema é "manter a tripulación o maior tempo posible a bordo". Agora, e logo dos últimos e tráxicos accidentes no mar que afectaron a embarcacións e mariñeiros galegos, os promotores de Kafloat reclaman máis apoio para poder xeneralizar un sistema que xa foi instalado en tres embarcacións e que foi optimizado para barcos de ata 30 metros de eslora. O sistema mellora a seguridade en caso de avaría ou entrada de auga no buque e consiste no inflado automático duns flotadores no exterior do casco que complementan a reserva de flotabilidade e estabilidade dos barcos e que podería atrasar o seu afundimento e incluso proporcionar máis tempo para que se arranxe un problema. "Numerosas desgrazas que golpearon a pesca galega poderían terse minimizado de estar implantado un sistema como o Kafloat" "Numerosas desgrazas que golpearon a pesca galega poderían terse minimizado de estar implantado un sistema como o Kafloat", engaden nun documento os seus impulsores, que agora buscan socios que acheguen transferencia tecnolóxica e que reforcen a estrutura empresarial que precisa o proxecto, que sufriu un importante descenso da súa posibilidade económica logo do longo proceso para acadar as autorizacións e homologacións necesarias. "A empresa ten xa todo o necesario administrativamente para consolidar o seu negocio. Temos todas as certificacións españolas oficiais que avalan a viabilidade deste sistema", aseguran, tras uns cálculos cos que aseguran que a implantanción do Kafloat en 1.300 barcos (o 12% da frota pesqueira española) suporía unha carga inicial de traballo de máis de 975.000 horas e salvagardaría a vida duns 9.000 mariñeiros. Ademais, a empresa ve "incuestionable" a potencialidade desta "oportunidade de negocio" para un sistema que se podería instalar nos máis de 20 millóns de barcos de recreo dos países onde Kafloat ten patentes, ademais dos millóns de embarcacións de pesca. "España sería pioneiro e líder no sector da seguridade marítima e pesqueira en particular", rematan. |
PRAZA_7262 | O titular da Deputación pontevedresa faise co control da Federación Galega de Fútbol entre acusacións de "clientelismo" e de uso da institución provincial para facer campaña. Na contorna da FGF fálase xa da posibilidade de que queira aspirar á Federación Española. | Uns 676.000 euros en Marín, 442.000 en Vilaboa, 342.000 en Cotobade, 354.000 en Covelo, un millón en Moraña e outro en Cuntis. Son algúns dos concellos da lista na que figuran nomes como A Sangriña, San Amaro, O Pombal, Monte da Lomba, O Salgueirón, Camballón, A Bouza ou A Seca, uns poucos exemplos dos campos de fútbol que, durante os últimos anos, foron tapizados con herba artificial grazas aos fondos públicos da Deputación de Pontevedra, a institución dirixida por quen dende este xoves é tamén presidente da Federación Galega de Fútbol, o popular Rafael Louzán. Calcúlase que arredor de 40 millóns de euros da administración provincial pontevedresa foron parar xa nos últimos anos a estas instalacións deportivas. A súa construción e financiamento responde a unha estratexia exposta abertamente pola Deputación: "Dispoñer de, cando menos, un campo na práctica totalidade dos concellos", o que non impide que en municipios como Ribadumia, concello natal de Louzán, se acumulen xa catro destes campos. Entre acusacións de "clientelismo" ou "amiguismo" Louzán defende a idoneidade destes investimentos e a satisfacción dos clubes deportivos aos que agora presidirá dende a FGF. Ademais, chegou a alegar ante o Parlamento, a existencia dos campos permite que "mentres os rapaces están aí, ocupados, non están noutras circunstancias que nos preocupan aos que temos fillos". Calcúlase que a deputación pontevedresa destinou uns 40 millóns de euros a campos de herba artificial For afán de clientelismo ou aposta pola vida saudable, o certo é que estas obras e as subvencións aos equipos futbolísticos da provincia non precisamente un obstáculo para que Louzán se impuxese ao seu rival, o ata agora presidente e alcalde socialista de Cerceda José García Liñares. O tamén presidente do PP de Pontevedra logrou 80 votos da asemblea, compostos por representantes de todos os ámbitos do fútbol, fronte a 65 de Liñares. O cómputo completouse con catro votos nulos. Na contorna da FGF xa se fala da posibilidade de que Louzán queira aspirar a dirixir a Federación Española Tras ratificar a vitoria Louzán asegura que o que se produciu foi "un triunfo do fútbol galego en xeral", que "entendeu que era o momento de abordar un cambio que nós, dende a nosa candidatura, propoñiamos". Nos cambios non figura, no entanto, a recuperación da selección galega de fútbol. Mentres, fontes do fútbol galego consultadas por este diario sinalan que, ante as máis que razoables dúbidas sobre a continuidade de Louzán á fronte da Deputación -con independencia de que o PP a conserve ou non tras as municipais de maio-, as súas aspiracións poderían non limitarse a presidir a FGF. No seu horizonte, manteñen, xa está a posibilidade de ser a remuda para o veterano e controvertido Ángel María Villar na presidencia da Real Federación Española de Fútbol (RFEF). Acusacións durante a campaña e preguntas á Xunta O triunfo do popular na FGF chega despois dunha dura campaña na que quen era aspirante á reelección chegou a reclamar que a Secretaría Xeral para o Deporte, dependente da Presidencia da Xunta, investigase se Louzán incorreu en "conduta delitiva" durante a carreira electoral ao utilizar, asegura, medios da Deputación, e "armas de convicción poderosas". Segundo Liñares, "houbo presións aos asembleístas exercidas dende a candidatura de Louzán a través da Deputación". A institución provincial, subliña, "estívose utilizando para todo, mesmo para maner xuntanzas cos clubes". Asemade, "cargos e persoal da Deputación foron interventores no proceso electoral despois de que, en moi poucos días, pasasen a formar parte de directivas de clubes como o Ribadumia e o Umia. "Teño a miña opinión, pero se esa conduta é delitiva ou non, non me toca a min decidilo", afirma. "Houbo presións a asembleístas exercidas a través da Deputación", afirmou o ata agora presidente Tamén dende o grupo do PSdeG no Parlamento se expresaron dúbidas no mesmo sentido durante o proceso. Segundo a súa voceira en materia deportiva, Carmen Cuña, os representantes de "clubes, técnicos, árbitros e xogadores" con dereito a voto na asemblea foron "sucesivamente convocados a amables encontros co presidente da Deputación", que "utilizou de forma espuria o seu cargo institucional para facer campaña electoral con toda naturalidade, total impunidade e ilimitado descaro". Tamén como presidente do ente provincial, Louzán celebrou en apenas dous meses múltiples actos ligados ao fútbol en localidades como Cerponzóns, Ribadumia, Barro ou Cotobade. Segundo o novo líder da FGF estas acusacións só responden a un intento de realizar unha campaña sucia. |
PRAZA_9441 | QuerEndo denuncia que a falta de profesionais e a carencia de consultas específicas están a provocar que citas que deberían ser dadas para maio de 2019 se atrasen ata marzo de 2020. Reclaman que se cree este servizo no hospital compostelán e no Lucus Augusti | As críticas polas crecentes listas de espera no sistema sanitario galego esténdense por todo o país e en todos os ámbitos. Nalgunhas especialidades, como Xinecoloxía as longas esperas eran xa unha dinámica habitual, pero a situación nos últimos tempos está a empeorar, sobre todo no Hospital Clínico de Santiago, engandindo novas dificultades, como denuncia QuerEndo, a asociación que agrupa ás afectadas pola endometriose, unha doenza que sofren unhas 30.000 mulleres galegas.QuerEndo denuncia que a falta de profesionais e a carencia de consultas específicas están a provocar que citas que deberían ser dadas para maio de 2019 se atrasen ata marzo de 2020QuerEndo denuncia que a falta de profesionais e a carencia de consultas específicas para as afectadas pola endometriose están a provocar que citas que deberían ser dadas para maio de 2019 se atrasen ata marzo de 2020. A entidade lembra que estas 30.000 mulleres teñen que acudir con máis frecuencia a revisións e probas, ao tratarse dunha doenza crónica. E alerta de que os atrasos na concesión das citas están levando a que estas mulleres teñan que acudir ás Urxencias hospitalarias, contribuíndo á súa saturación, "porque o seguimento dos tratamentos e da evolución da doenza son fundamentais para previr agravamentos".A asociación explica que o problema se agravou coa recente xubilación de dous xinecólogos, de xeito que "case todas as ecografías de xinecoloxía as fai o mesmo profesional co cal iso crea un efecto embudo nas citas que dependen dese tipo de proba".O hospital compostelán responde a estas críticas afirmando que os atrasos denunciados "non son reais", sinalando que "debido a un problema organizativo das axendas, as citas novas saen automaticamente para unha data moi afastada da realidade". Di que o tempo medio de espera para as primeiras consultas é de 27,5 días e de 40 para as revisións de Xinecoloxía.O CHUS compostelán carece dunha consulta específica para as enfermas de endometriose, que si existe no CHUVI de Vigo, no CHOU de Ourense e no CHUAC da Coruña (e que tampouco funciona no Lucus Augusti de Lugo). A consecuencia é que estas mulleres que precisan revisións con máis frecuencia (produto de empeoramentos repentinos, revisións de cirurxías, revisións por cambios de tratamentos) "vense abocadas a compartir os mesmos tempos de espera de mulleres sen patoloxías concretas que van facer revisións xinecolóxicas de control porque comparten os mesmos profesionais de atención e as mesmas listas de espera", denuncia querEndo.A entidade reclama que se creen consultas específicas de endometriose no CHUS e no Lucus Augusti"Unha unidade multidicisplinar para eses casos máis severos podería tamén desafogar as listas de espera das consultas xerais de xinecoloxía pero o Sergas seguen sen dar un paso adiante na dirección de crear unha unidade multidisciplinar de endometriose como se ten feito noutras comunidades", sinala a entidade, que reclama que se creen as consultas específicas de endometriose no CHUS e no Lucus Augusti, que se cree unha unidade multidisciplinar en Galicia para endometriose e que se faga un plan de choque para acurtar estes tempos de espera "que xogan a medio prazo en contra da eficiencia do sistema sanitario ao crear peores seguimentos e prognósticos". Dende o SERGAS sinálase que no CHUS de Santiago, "o seguimento de pacientes con endometriose faise nas consultas especializadas de Xinecología funcional" e apúntase que está a avanzar "na formación multidisciplinar de todos os profesionais sanitarios implicados para un mellor e máis activo diagnóstico precoz". |
NOS_53988 | O venres día 1 estrearase a través da plataforma Filmin a curta Polaroid, dirixida por Chema Montero baseada na novela de Suso de Toro. | Dirixida polo novo cineasta Chema Montero, a curtametraxe Polaroid estrearase este venres, día 1 de novembro, a través da rede, na plataforma Filmin. A curta está baseada na novela de Suso de Toro publicada en 1986, un dos títulos de máis relevancia na carreira literaria do escritor que lle valeu o Premio da Crítica do 1987. O novo director Chema Montero (Vigo, 1994) realizou diversas curtametraxes e participou en varios festivais galegos. Polaroid está interpretada por Aser Alonso. Non é a primeira vez que a obra de Suso de Toro chega ás pantallas xa que, con anterioridade, Xavier Villaverde dirixiu a película Trece Badaladas, baseada na novela do escritor. En 2011, José Luis García Sánchez anunciara o inicio da produción de "Sete Palabras", sobre a obra no que o escritor se atopa coa memoria do seu avó en terras de Toro. |
PRAZA_102 | O que fora conselleiro de Portos de Galicia con Feijóo en Política Territorial enfróntase á condena por asociación ilícita, suborno, malversación, estafa ou tráfico de influencias, entre outros. O Ministerio Público pide 42 anos para Bárcenas e 110 para Francisco Correa. | Asociación ilícita, fraude continuada, suborno, falsidade documental, malversación de caudais públicos, branqueo de capitais, tráfico de influencias ou estafa. Son tan só algúns dos delitos que a Fiscalía Anticorrupción lle atribúe a Pablo Crespo, ex secretario de Organización do PP de Galicia, para o que pide máis de 100 anos de cadea no primeiro xuízo que do caso Gürtel se celebrará proximamente na Audiencia Nacional. A Fiscalía Anticorrupción pide máis de cen anos de prisión para Pablo Crespo Será un xuízo pola denominada Primeira Época desta trama na que están implicados varios e importantes ex cargos do Partido Popular e na que o Ministerio Público solicitará todos estes anos de prisión para o considerado número dous da rede Gürtel, Pablo Crespo. Refírese só ao período que abrangue entre os anos 1999 e 2005, espazo de tempo durante o que o implicado foi conselleiro de Portos de Galicia (2003-2005), sendo o actual presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, conselleiro de Política Territorial. Ademais, Crespo ocupou o cargo de secretario de Organización do PP galego entre 1995 e 2003, foi parlamentario na Cámara galega durante un curto período para acabar sendo representante da Consellería de Política Territorial no consello de administración de Portos de Galicia ata o ano 2005. Agora, en liberdade condicional, enfróntase a unha dura petición de condena por ter cometido presuntamente multitude de delitos sendo un dos líderes da trama Gürtel. Ademais, os papeis de Bárcenas relacionárono tamén co suposto financiamento irregular do PP en Galicia, que tería ingresado máis de 20 millóns das antigas pesetas. Crespo foi secretario de Organización do PPdeG, parlamentario ou conselleiro en Portos de Galicia Ademais, e ante este primeiro xuízo, a Fiscalía Anticorrupción tamén pide 42 anos e 6 meses para o ex tesoureiro do PP Luis Bárcenas e 109 anos e 10 meses para o presunto xefe da trama Gürtel, Francisco Correa. Correa e Bárcenas sentarán no banco con outras 40 persoas, case a metade antigos cargos do PP. O que fora gardián das finanzas do partido enfrontarase a unha condena polos seguintes delitos: dous de branqueo, falsidade documental, apropiación indebida, oito delitos contra a Facenda Pública, e estafa procesual en grao de tentativa. O Ministerio Público solicita máis de 42 anos de cadea para Bárcenas e máis de 110 para Francisco Correa As fiscais Anticorrupción Concha Nicolás e Concha Sabadell tamén fan no seu escrito o cálculo do beneficio a título lucrativo de Ana Mato e o Partido Popular, entre outros. A ex ministra de Sanidade enfróntase a ter que devolver 28.468 euros, cantidade que resulta de sumar os agasallos e viaxes que lle proporcionou presuntamente a trama Gürtel, máis a metade do importe das festas infantís organizadas na súa casa cando estaba casada con Jesús Sepúlveda, exalcalde de Pozuelo, tamén acusado. O Partido Popular é, segundo as fiscais, beneficiario de 328.440 euros da trama, entre o obtido por delegación en Pozuelo (111.864) e Majadahonda (216.576). O Ministerio Público cita a un cento de testemuñas, entre eles a secretaria xeral do PP madrileño e ex presidenta da Comunidad, Esperanza Aguirre. O PP sería beneficiario de case 330.000 euros da trama nesta 'Primeira Época' O 26 de novembro, o xuíz Pablo Ruz ditou auto de procesamento en procedemento abreviado sobre a investigación que abrangue o período entre 1999 e 2005. Nesta peza, Ruz investigou a operativa desenvolvida pola trama en Madrid, Castela e León e Málaga para conseguir adxudicacións de forma irregular para as súas empresas, creando un conglomerado de sociedades polas que se canalizaban as dádivas, pagos de comisións e pagos a provedores a través dun sistema de facturación falsa. Con sociedades creadas ex profeso permitíase a facturación irreal entre elas, encubrían as comisións cobradas polos imputados, facilitábanse a concesión irregular de contratos públicos, adxudicacións de distintas obras e ocultábase a autoridades e Facenda eses beneficios. Bárcenas está acusado de intermediar coa trama a cambio de comisións. |
NOS_57484 | É a cifra de mortes nun día máis elevada dos últimos cinco meses. As autoridades sanitarias aclaran que todas as persoas finadas padecían patoloxías previas que implicaban un maior risco para a súa saúde. O país está cada vez máis preto dos 800 pasamentos por esta doenza. | A Consellaría de Sanidade comunicou esta tarde o falecemento de 11 persoas nas últimas horas por mor do coronavirus. Este número de pasamentos é o máis alto desde o 26 de abril, cando as autoridades da Galiza notificaron 15 decesos. En realidade, ao longo da xornada houbo que lamentar sete falecementos, pois os outros catro xa foran notificados pola Dirección Xeral de Saúde Pública no seu parte diario da mañá. As primeiras catro vítimas comunicadas estaban vinculadas a residencias de maiores de distintas vilas do interior. Segundo foron pasando as horas desta terza feira, tívose coñecemento de que outras tres persoas usuarias de xeriátricos non foron quen de superar a enfermidade. Trátase de dous homes de 76 e 88 anos que estaban ingresados no Hospital de Verín. O máis novo vivía no centro Val, situado no concello de Monterrei, que foi dos últimos nos que se detectaron grandes gromos xunto co de Pereiro de Aguiar. De feito, perdeu a vida un usuario desta última instalación. Era un varón de 96 anos que ficaba no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU). O equipo sanitario deste centro tamén tivo que notificar o falecemento doutro home de 70 anos. A última hora desta tarde sabíase doutro pasamento na residencia de Val, un residente de 89 anos morreu nas propias instalacións. Ao longo do día tamén entraron no cómputo de vítimas da pandemia dous varóns: un de 82 anos estaba sendo atendido como Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e outro, de 62 anos, permanecía baixo a supervisión médica no hospital de Pontevedra (CHOP). Todos os doentes padecían patoloxías previas que complicaron a súa saúde. O número total de galegas e galegos finados pola Covid-19 xa está nas 793 persoas. |
PRAZA_4548 | Esta mañá rexistrouse no Congreso a Iniciativa Lexislativa Popular, que deberá recoller medio millón de sinaturas para poder ser debatida no Congreso. | Esta mañá rexistrouse no Congreso a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que pide una renda básica universal para toda a cidadanía, impulsada polo Movemento contra o Paro e a Precariedade. Comeza un camiño de nove meses nos que a proposta deberá reunir medio millón de sinaturas en todo o Estado, para ter a opción de poder ser debatida na cámara. A iniciativa, que consta dun artigo e dúas disposicións adicionais, establece "o dereito de toda persoa, polo feito de haber nado, a recibir unha cantidade periódica que cubra as súas necesidades básicas" e declara a Renda Básica como "dereito individual, universal e incondicional". A proposta fixa esta cantidade no 60% da mediana da distribución dos ingresos por unidade de consumo, é dicir, 645,33 euros mensuais, nos datos correspondentes a 2011. A súa implantación realizaríase en dúas dúas fases. Nunha primeira fase, afectaría a todas as persoas domiciliadas no Estado español e inscritas no Servizo Público de Emprego que non teñan cobertura por desemprego nin dispoñan doutros ingresos, ou que estes sexan inferiores a eses 645,33 euros ao mes. Na segunda fase ampliaríase ese dereito ao resto da poboación. A proposta xa fixo agromar respostas e críticas, por exemplo as procedentes de Gestha, a asociación de técnicos de Facenda, que estima nun mínimo de 78.000 millóns de euros a posta en marcha desta renda básica, máis do dobre do gasto anual en prestacións por desemprego, que rolda os 35.000 millóns, e que cualifica a proposta de "inviable". Porén, outras voces sinalan que o fraude fiscal en España representa un mínimo de 90.000 millóns de euros anuais e que un maior control neste senso sería suficiente para poñer estes cartos a disposición desta iniciativa. Neste senso, os impulsores da proposta sinalaron este mércores no Congreso que as fórmulas de financiamento da renda básica que se defenderían na proposta definitiva están "en proceso de estudo". "A idea é que se acade un dereito das personas que logo deberán xestionar os políticos", engadiron. Colectivos coma a Oficina de Dereitos Sociais de Coia defenden a Renda Básica "como un instrumento de erradicación da pobreza, un mecanismo de repartición da riqueza e distribución da renda, que pode dar seguridade económica á poboación" Colectivos coma a Oficina de Dereitos Sociais de Coia defenden a Renda Básica "como un instrumento de erradicación da pobreza, un mecanismo de repartición da riqueza e distribución da renda, que pode dar seguridade económica á poboación; que permite iniciar outros modos de vida, fomenta a igualdade de xénero e contribúe a eliminar os estigmas sociais". E salientan que "a Renda Básica pode ser o piar do novo sistema de benestar e un instrumento útil para defenderse da deterioración das condicións de vida que impón o capitalismo global". De igual xeito, outro colectivo que xa manifestou a súa intención de traballar para acadar o éxito desta ILP, Espazo Ecosocialista, destaca que a Renda Básica "supón un novo xeito de entender o traballo, facendo inviable o 'exercito de reserva de man de obra' no que o capitalismo converte o paro, dignificando o traballo necesario para repoñer a forza de traballo noutro tempo feito polas mulleres e hoxe tamén por traballadoras domesticas, desalienando o concepto propio do mesmo e valorizando o traballo voluntario ou creativo non remunerado". Conclúen que esta renda incondicional contribúe a "asegurar a dignidade das cidadás e dos cidadáns sen condicións", así como unha "ferramenta para facer cumprir outros dereitos hoxe formais como a vivenda ou un salario digno". Os seus defensores tamén argumentan, baseándose nos exemplos daqueles lugares nos que está en marcha, como Alaska (dende 1976), que este tipo de prestación non provocou "unha falta de iniciativa individual ou pouca disposición a traballar, e tampouco un incremento de fracaso escolar ou universitario". Entre os seus beneficios, ademais, estaría o "incentivo á invención técnica e ao investimento na mecanización ou automatización de postos de traballo mal remunerados", incrementando a produtividade, "pois a persoa que traballa en algo que lle gusta é máis produtiva". Máis pobreza, máis exclusión En Galicia hai máis de 270 mil persoas inscritas como demandantes de emprego, e deles máis de 78 mil levan máis de dous anos sen emprego. Máis de 120 mil non cobran nin a prestación por desemprego nin o RISGA, nin ningún outro subsidio. Unha realidade que ten consecuencias. A Enquisa de condicións de vida das familias, publicada polo IGE hai unhas semanas sinalaba que ao longo de 2012 seguiu incrementándose en Galicia a taxa de risco de pobreza, que pasa do 15,73% ao 16,45% e que acumula catro anos consecutivos de ascensos, dende o 13,88% que rexistrou en 2008. Nestes datos, o que máis chamaba a atención era o incremento da incidencia entre os menores de 16 anos (pasaba do 23,96 ao 27,35), nos que teñen entre 16 e 24 anos (pasaba do 29,76 ao 31,69) e nos que se sitúan entre os 25 e os 49 (do 21,45 ao 24,14). O IGE, na súa Enquisa Conxuntural aos Fogares do cuarto trimestre de 2013, sinalaba igualmente que o 44,6% dos fogares galegos recoñecen chegar con "dificultade" a finais de mes, mentres que o 15% asegura facelo con "moita dificultade". A Iniciativa de Cidadanía Europea A pesar de non acadar o número de sinaturas esixido, "a campaña ten servido para seguir visibilizando a proposta, crear grupos de apoio, ampliar os colectivos e forzas políticas e sociais implicadas e abrir o debate cidadán" Precisamente esta semana rematou o prazo para que a Iniciativa de Cidadanía Europea para propoñer o impulso da Renda Básica Incondicional acadase o millón de sinaturas que necesitaba para seguir adiante. A proposta buscaba pedirlle á Comisión Europea que "incentive a cooperación entre os estados membros co obxectivo de explorar a Renda Básica Incondicional (RBI) como ferramenta para mellorar os seus respectivos sistemas de seguridade social". A curto prazo, "a UE debería impulsar iniciativas tales como estudos piloto e o exame de diferentes modelos de RBI". A longo prazo, o obxectivo é "ofrecerlle a cada persoa na UE o dereito incondicional como individuo de ter as súas necesidades materiais cubertas para asegurar unha vida digna tal e como se define nos tratados da unión". Finalmente a iniciativa non chegou ao millón de sinaturas que eran necesarias e só en Croacia, Eslovenia, Bulgaria, Bélxica, Estonia e Holanda acadou o número de apoios necesarios. En España recolleu algo máis de 25 mil sinaturas, e no conxunto da UE superáronseas 574 mil. Porén, os seus impulsores destacan que "a campaña ten servido para seguir visibilizando a proposta, crear grupos de apoio, ampliar os colectivos e forzas políticas e sociais implicadas e abrir o debate cidadán". Tamén destacan o impulso que a iniciativa recibiu nas súas últimas semanas de actividade, recollendo case tantos apoios no último mes coma nos once anteriores. Iniciativas avanzadas en Catalunya e Estremadura Propostas semellantes están máis avanzadas en Catalunya e Estremadura. En Estremadura, de feito, xa o pasado mes de maio o Parlamento rexional aprobou a Lei de Renda Básica Estremeña de Inserción. Non é exactamente unha renda básica incondicional, senón máis ben unha renda de integración, destinada a consolidar o apoio ás persoas con menos recursos e en situación ou risco de pobreza e exclusión. A súa aprobación, malia as limitacións que presentaba (escasa dotación, limitación no número de beneficiarios...), foi saudada como un primeiro paso positivo por parte dos colectivos que promoven as rendas básicas incondicionais. Porén, dende entón, a lentitude na súa posta en marcha, ou as dificultades dos procedementos para solicitala, espertaron moitas críticas. O Parlamento de Catalunya acordou o pasado mes de marzo admitir a trámite unha ILP que propón unha renda de cidadanía para todas as persoas en situación de vulnerabilidade De igual xeito, o Parlamento de Catalunya acordou o pasado mes de marzo admitir a trámite unha ILP que propón unha renda de cidadanía para todas as persoas en situación de vulnerabilidade. A iniciativa, impulsada por entidades sociais, partidos e sindicatos, atópase actualmente en fase de recollida de sinaturas, 50 mil, que xa foron amplamente superadas. A proposta baséase no artigo 24.3 do Estatut, aínda sen desenvolver, que contempla que "as persoas ou as familias que se atopan en situación de pobreza teñen dereito a acceder a unha renda garantida de cidadanía que lles asegure os mínimos dunha vida digna". E fixa esta renda nos 664 euros mensuais. CiU opuxérase inicialmente a aceptar a tramitación de la ILP polo impacto económico que suporía nos orzamentos, pero finalmente tivo que ceder, posto que o artigo 102.2 do regulamento do Parlament non lle permite denegar a admisión a trámite dunha ILP se os seus efectos económicos afectan a outro exercicio orzamentario e non ao vixente, como é o caso. Texto da ILP (.pdf) |
PRAZA_6887 | Non se trata de reformar a Constitución, xa foi incinerada, o único posible por diante é un novo proceso constituínte. Esta vez sen que haxa fusís vixiando os relatores constitucionais. Se España quere existir, é dicir se vai haber un proxecto integrador, terá que ser doutra maneira completamente diferente. | Hai uns anos aventurabamos a fin deste réxime político, pero esta semana rebentou. Están a ocorrer dúas cousas, o enfrontamento total e frontal do estado coas institucións catalás, Parlament e Generalitat, por unha banda, e os resultados da enquisa do CIS, polo outro. Están a ocorrer dúas cousas, o enfrontamento total e frontal do estado coas institucións catalás, Parlament e Generalitat, por unha banda, e os resultados da enquisa do CIS, polo outro A enquisa do CIS roldaba desde hai días pero tardaba en facerse pública, parecía ser unha ameaza no aire para algúns. Non estraña que o Goberno do PP compartise a información dos seus resultados co PSOE pois parece reflectir a debilidade dos dous partidos estatais que, como columnas, viñeron sostendo a Constitución do Reino de España. A intención de voto expresada na enquisa para algúns é como a invocación dun advento, a chegada dun corrector severo dos desmáns dos poderosos, pero para outros é unha aposta decidida por que goberne. Ese desexo fervente demostra a falta de lexitimidade tanto do Goberno como da súa oposición formal. A intención de voto expresada na enquisa para algúns é como a invocación dun advento, a chegada dun corrector severo dos desmáns dos poderosos, pero para outros é unha aposta decidida por que goberne Sobre eles, a Monarquía, institución á que a maioría da poboación xa non lle recoñece tampouco autoridade moral. O encollemento da Casa Real, desaparecendo progresivamente membros que pasan a un limbo fantasmal, é unha imaxe da perda do papel da institución. E por baixo deles, unha sociedade desconcertada contemplando o resultado das súas votacións, a corrupción xeneralizada é o fracaso total da democracia, e que non ten nin en quen confiar nin un proxecto colectivo. Unha sociedade que puxo aí a Rajoy e que agora se move entre sentimentos contraditorios de rabia e vergoña por votar iso. Rajoy é un curioso personaxe totalmente descoñecido por quen o votaron e pola sociedade española no seu conxunto pero politicamente é un baleiro que traga todo Rajoy é un curioso personaxe totalmente descoñecido por quen o votaron e pola sociedade española no seu conxunto pero politicamente é un baleiro que traga todo. Chegou sen proxecto político para un país, unicamente traía a lista de pedidos dos seus apoios económicos e ideolóxicos: desfacer o que fixeran gobernos anteriores e rapinar todo o patrimonio público que fose posible. Así, o seu goberno representa meramente intereses particulares sen unha visión social e nacional de conxunto. A insensibilidade social tan clara do Goberno e o partido que o sostén está nas súas políticas crueis pero tamén a expresaron con naturalidade constantemente os seus voceiros, relativizando ou ridiculizando os sufrimentos das vítimas da crise económica. É un caso de cegueira aguda, consecuencia dun clasismo propio da corte máis cheirenta ou da perspectiva do palco do Bernabeu. Un clasismo tan ignorante que realmente non acepta unha sociedade de iguais, o propio Presidente do Goberno teorizou nalgunha ocasión sobre a xenética superior "da xente como Deus manda". Un clasismo que lles impide imaxinar un proxecto colectivo. O Goberno comprometeu absolutamente a todas as institucións do estado até fundirse estado e Goberno do PP. Desde o Tribunal Constitucional até o último policía todo o estado serve á súa ideoloxía e a súa política Pero a crise global que vive España non se resume na falta de entidade e de lexitimidade, case falta de existencia, do Goberno de Rajoy e Santamaría. O Goberno comprometeu absolutamente a todas as institucións do estado até fundirse estado e Goberno do PP. Desde o Tribunal Constitucional até o último policía todo o estado serve á súa ideoloxía e a súa política. Non se me ocorre caso máis flagrante que o envío de 30 axentes da Unidade de Intelixencia da Policía para investigar a empresas e políticos cataláns coa finalidade de enturbar e desprestixiar a consulta. Pero as últimas sentenzas do Tribunal Constitucional, conformado e presidido polo PP, sentenciaron definitivamente o propio tribunal e a Constitución: estaba morta e incinerárona pretendendo enterrar as demandas catalás. Esta Constitución, interpretada do modo en que o fixo o Constitucional, xa non serve para nada. Ou ben só serve para a función que lle está dando o Goberno: ser os barrotes dun cárcere xurídico para calquera demanda democrática da cidadanía. As partes do texto redactadas polo Exército, tratábase de dar forma ao "atado e ben atado", foron o molde autoritario e nacionalista español dentro do cal se introduciron outros contidos efectivamente democráticos Realmente no redactado da Constitución están desde un comezo os elementos específicos que acabaron conducindo á súa ruína: os redactores do texto constituíronse en dúas comisións, por unha banda reuníase a JUJEM, Xunta de Xefes de Estado Maior, e polo outro os relatores designados polas cortes constituíntes. As partes do texto redactadas polo Exército, tratábase de dar forma ao "atado e ben atado", foron o molde autoritario e nacionalista español dentro do cal se introduciron outros contidos efectivamente democráticos. A cousa non podía acabar ben, máxime cando chegou ao Goberno esta xente incualificable. Crise política pola política do Goberno e crise institucional pola liquidación da Constitución, si, pero tamén crise nacional. Rajoy e Arriola pensaban que para catalizar a sociedade española bastaría con axitar o nacionalismo español contra Catalunya, iso creou un problema civil gravísimo pero en cambio non lle deu a España un proxecto de futuro común Rajoy e Arriola pensaban que para catalizar a sociedade española bastaría con axitar o nacionalismo español contra Catalunya, iso creou un problema civil gravísimo pero en cambio non lle deu a España un proxecto de futuro común. Ao contrario. O PP, enrocado nese Madrid irrespirable de poderes económicos e mediáticos, asumiu que a fractura coa sociedade catalá era un custe factible para España, ao final o que se xerou na sociedade é máis odio, un odio xordo que se xunta coa rabia polo fracaso da política. En conxunto, o que moita xente ve é o fracaso do país, o fracaso de España. Hoxe a maioría dos cidadáns españois, contemplando o panorama político e social, senten vergoña de selo. Non hai selección de fútbol que poida tapar tan gran baleiro. O que se observa desde fóra de España é moito máis que a crise final dunha época, perciben que é o fracaso dun estado e dunha nación. Trátase da crise dun modelo de estado nación e da súa cultura nacional, autoritaria e nacionalista. O nacionalismo español, por estar tan comprometido co franquismo por unha banda e por non basearse nas realidades sociais e na diversidade nacional polo outro, nunca creou unha verdadeira cultura nacional que non fose chovinismo casticista. Touros e fútbol. E impediu e impide que naza un proxecto colectivo ou que se se institúan de forma lexítima figuras sociais de referencia. Por moita inflamación nacional que padezan algúns, España non existe como nación. A súa cidadanía non atopa nada nin ninguén que encarne algo compartido e esperanzador. Ante o fracaso colectivo caben dúas saídas, a que prevaleceu desgraciadamente no século XX, coa ditadura de Primo e o réxime de Franco, refuxiarse no nacionalismo e o autoritarismo. A outra é recuperar o programa do antifranquismo, recuperar as liberdades persoais que este goberno nos rouba día a día, unha moral social que non permita a miseria como algo lexítimo e recoñecer a diversidade nacional e os mecanismos para que a sociedade se exprese. Non se trata de reformar a Constitución, xa foi incinerada, o único posible por diante é un novo proceso constituínte Non se trata de reformar a Constitución, xa foi incinerada, o único posible por diante é un novo proceso constituínte. Esta vez sen que haxa fusís vixiando os relatores constitucionais. Se España quere existir, é dicir se vai haber un proxecto integrador, terá que ser doutra maneira completamente diferente. |
PRAZA_14583 | O candidato socialista esfórzase en amosar as súas vías de entendemento co BNG, cuxo candidato subliña a necesidade dun "cambio profundo". | "Este debate é tanto ou máis importante que o de onte". Esta reflexión, xurdida este martes no entorno do candidato do PSdeG á Xunta, pode ser un bo resumo de parte do visto e escoitado no debate que compartiu na TVG co cabeza de cartel do BNG, Francisco Jorquera. Propoñer sen agredir foi a máxima imperante nun cara a cara no que socialista e nacionalista confluíron na necesidade de frear os recortes impulsados dende os gobernos galego e central e diverxeron na marxe que debería ter unha ampliación do autogoberno galego. A vontade de amosarlle puntos de encontro á cidadanía foi evidente pola banda socialista dende o inicio do encontro, no que Vázquez apostou por poñer sobre a mesa a súa "preocupación" polo "informe que contradí todo o que dixo o señor Feijóo neste plató" a respecto do déficit público, isto é, o suposto traslado de 400 millóns de euros de facturas de 2010 ao exercicio de 2011. Jorquera empregou esa quenda de inicio para saudar a celebración de debates, por seren "bos para a calidade democrática" e por iso, subliña, o BNG aposta por "que sexan obrigatorios" en cada convocatoria electoral. Ambos candidatos coinciden nunha reforma fiscal para que "pague máis quen máis ten" Se cadra, unha regulamentación legal dos debates evitaría que, como acontecera no intercambio de ideas entre Vázquez e Feijóo, a primeira nova da noite fose o feito de que o propio debate se estaba á celebrar. Á marxe disto, o consenso mandou sobre a diverxencia no que atinxe ao diagnóstico: cómpre "reactivar a economía e xerar emprego", explica Jorquera, cunha "reforma fiscal para que pague máis quen máis ten". "Coincido plenamente", agregou Vázquez, para quen achegar "financiamento" a familias e empresas é clave para xerar emprego, "o problema do 83% dos galegos e galegas". Como afondar no autogoberno? Coincidindo no que, a clave semella estar no como. Pola banda nacionalista unha maior inxección de recursos para as arcas autonómicas chegará pola vía do concerto económico, "inverter o modelo" de financiamento para ter plena autonomía fiscal". "Non abonda con melloras" no actual modelo, explica. Sen aceptar o esquema de concerto, Vázquez asegura que o BNG "vai ter un aliado no socialismo galego para acadar o mellor financiamento, non dubide de que imos estar de acordo e imos formular unha liña de traballo conxunta". O límite? A Constitución, explica, que en todo caso podería ser reformada, como suxire Jorquera, sempre e cando se produza "un consenso de todas forzas políticas". Jorquera subliña a necesidade dun concerto económico, Vázquez asegura que o PSdeG será un "aliado" para "acadar o mellor financiamento" Nesta liña chegou o bloque dedicado propiamente ao autogoberno, unha materia na que, para Jorquera, "o problema" é que o actual sistema "está convertido en papel mollado pola ofensiva centralista" na que se atopa inmerso o Estado. "En autogoberno nin un paso atrás", garante Vázquez, porque é "bo para Galicia". "Quen está socavando as autonomías é o PP" pero "se son presidente nunca deixarei de defender o meu país", di. "Se o BNG goberna este país o noso compromiso non é só nin dar un paso atrás, é dar claros pasos adiante", acrecenta o nacionalista. Coa diverxencia esencial na gradación das reformas para lograr máis recursos e poder político chegou unha nova confluencia, a xurdida en torno á lingua galega. Ambos candidatos asumen o compromiso de derrogar o denominado decreto do plurilingüismo e reverter a política lingüística de Feijóo. "O 21 de outubro exercendo o dereito ao voto temos unha dobre oportunidade: poñerlle fin ao peor goberno que tivo Galiza" e non "darlle un cheque en branco a Rajoy", subliñou Jorquera na quenda final, que concluíu cun "boas noites e moita sorte". "O voto é seu, vostede é poderoso", interpelou Vázquez á audiencia, á que lle pediu voto para encabezar un "goberno de progreso". O mércores finaliza a xeira de debates co cara a cara entre Feijóo e Jorquera. O líder nacionalista anticipa que lle "cantará as verdades" ao aspirante á reelección. Gravación íntegra do debate |
NOS_53572 | Case un ano após a invasión terrorista na cidade de Palmira, o Exército sirio, axudado por Hezbolá, Irán e Rusia, logrou reconquistar por completo o terreo e anticipa "o principio da fin do Daesh (Estado Islámico). | O Exército sirio tomou o control de toda a cidade tras a batalla antiterrorista contra o Daesh (Estado Islámico), segundo informan este domingo medios oficiais de Siria e o Observatorio Sirio para os Dereitos Humanos. Foi a pasada quinta feira cando os militares sirios –axudados por Hezbolá, Irán e Rusia- iniciaron a ofensiva e conseguiron arrebatar aos terroristas os puntos estratéxicos da cidade, mais non foi até este domingo cando conseguiron facerse por completo con toda Palmira. O Daesh invadiu a simbólica cidade en maio de 2015. A súa reconquista supón a recuperación dun punto estratéxico para acceder ao bastión de Raqqa, onde o Daesh estabeleceu a capital do autoproclamado califato. O grupo terrorista destruíu en Palmira numerosos elementos patrimoniais protexidos e saqueou reliquias de milleiros de anos de antigüidade. O Goberno sirio xa se comprometeu a reconstruír os templos destruídos, "reconstruiremos coas pedras que aínda seguen en pé. Imos devolverlle a vida a Palmira", sinalou o Goberno. |
NOS_39879 | As opcións contempladas contra o referendo do 1-O pasaría, segundo Rafael Hernando, polos tribunais, que han de decidir se esa consulta implica un delito de sedición. | O PP desbota "por razóns temporais e xurídicas" aplicar o artigo 155 para frear o referendo do 1 de outubro, artigo que permitiría suspender a autonomía de Catalunya. O goberno español apostará, segundo afirmou Rafael Hernando nunha entrevista en Europa Press, por fórmulas "máis oportunas e realistas". O portavoz do PP no Congreso explicou que as opcións contempladas pasarían polos tribunais, que deben decidir se o referendo implica delitos de sedición. O dirixente do Partido Popular quixo deixar claro que "o peso da lei caerá sobre aqueles que non acaten as normas" e mencionou os casos de Artur Mas e Francesc Homs, condenados polo referendo do 9N, como exemplificadores do que lles agarda a quen queira poñer urnas o 1 de outubro. Preguntado sobre o emprego da forza para evitar o referendo, Rafael Hernando dixo que o Estado español "ten mecanismos" para conseguir que o 1-O non aconteza nada. "Non haberá referendo", aseverou, ao tempo que se mostraba convencido de que os Mossos d'Esquadra actuarán como calquera outro corpo de seguridade do Estado español. Para o dirixente popular, o "problema" de Catalunya é que a CUP, con 10 deputados, ten "axeonllado" o goberno da Generalitat. "Un grupo anarquista, de carácter totalitario, é quen manda en Catalunya", afirmou. |
NOS_14250 | Campaña de Siareir@s Galeg@s: ''Dade 'La Vuelta', que Galiza non é España''. O colectivo denuncia o ''dispendio'' de milleiros de euros por administracións galegas na proba mentres se afoga o deporte base e non se apoia unha equipa ciclista galega. | Máis un colectivo chama a amosar a oposición a 'La Vuelta a España' durante o seu paso por Galiza. Desta volta é Siareir@s Galeg@s, que consideran que esta proba vai alén do "meramente deportivo" para entrar no eido da identificación coa españolidade. Este colectivo convida á cidadanía a saír á rúa e estradas ao paso de 'La Vuelta' con bandeiras galegas, "visibilizando así a nosa realidade nacional". Siareir@s Galeg@s critica, aliás, que mentres as diferentes administracións galegas "dilapidan" milleiros de euros en axudas e subvencións para traer 'La Vuelta' a Galiza, afogan o deporte de base e negan apoio para crear unha equipa ciclista galega. |
NOS_12511 | Este prezo para a clientela do PVPC é o resultado de sumar o prezo media da poxa no mercado almacenista á compensación que pagará a demanda ás centrais de ciclo combinado pola aplicación da 'excepción ibérica' para topar o prezo do gas para a xeración de electricidade. | O prezo media da luz para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado almacenista sobe esta segunda feira un 3% con respecto ao domingo, até os 298,49 euros por megawatt hora (MWh), segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). Este prezo para os clientes do PVPC é o resultado de sumar o prezo media da poxa no mercado almacenista á compensación que pagará a demanda ás centrais de ciclo combinado pola aplicación da 'excepción ibérica' para topar o prezo do gas para a xeración de electricidade. Na poxa, o prezo medio da luz no mercado almacenista -o denominado 'pool'- sitúase esta segunda feira en 157,54,62 euros/MWh, o que supón case 20 euros máis que o prezo para este domingo (138,62 euros/MWh). O prezo máximo da luz para este 11 de xullo rexístrase entre as 21 e as 22 horas, con 191,39 euros/MWh, mentres que o mínimo para a xornada, de 135,06 euros/MWh, darase entre as 3 e as 4 horas. A este prezo do 'pool' súmase a compensación de 140,95 euros/MWh ás gasistas que ten que ser abonada polos consumidores beneficiarios da medida, os consumidores da tarifa regulada (PVPC) ou os que, a pesar de estar no mercado libre, teñen unha tarifa indexada. Un 13% menos que sen aplicarse a medida En ausencia do mecanismo da 'excepción ibérica' para topar o prezo do gas para a xeración de electricidade, o prezo da electricidade sería de media uns 343 euros/MWh, o que supón uns 45 euros/MWh máis que coa compensación para os clientes da tarifa regulada, que pagarán así ao redor dun 13% menos de media. Con respecto a hai un ano, o prezo da luz para os clientes da tarifa regulada para esta segunda feira supón un 228% máis fronte aos 90,7 euros/MWh do 11 de xullo de 2021. O mecanismo ibérico, que entrou en vigor o pasado 15 de xuño, limita o prezo do gas para a xeración eléctrica a unha media de 48,8 euros por MWh durante un período de doce meses, cubrindo así o próximo inverno, período no que os prezos da enerxía son máis caros. En concreto, a 'excepción ibérica' fixa unha senda para o gas natural para xeración de electricidade dun prezo de 40 euros/MWh no seis meses iniciais, e posteriormente, un incremento mensual de cinco euros/MWh ata a finalización da medida. Galiza ten o segundo prezo da luz máis caro da UE |
PRAZA_15848 | Tragsatec, firma enviada pola Xunta, negouse a actuar contra un importante niño de velutinas en Cospeito alegando que estaba demasiado alto. O responsable de Serpa suprimiuno en pouco máis de media hora, gratis e "para demostrar que falta vontade política" para actuar contra a praga. | "Fíxeno como exemplo, para demostrar que o que falta é vontade política e medios e que si que se pode, claro que se pode". Quen fala é José María Vázquez, apicultor de Viveiro e responsable da empresa Servicios Privados Antivelutinas (Serpa). Co seu eficaz método contra a praga de avespa asiática que asolaga Galicia retirou o pasado ano máis de 730 niños só na Mariña. O pasado luns acudiu de balde a Cospeito para retirar un niño xigante situado nun carballo dunha parroquia de Cospeito. E fíxoo de balde e por iniciativa propia logo de que Tragsatec, empresa dependente da firma pública Tragsa enviada pola Xunta a estes labores, se negara a facelo. Os operarios de Tragsatec negáronse a actuar contra un niño a 18 metros, que foi retirado de balde por Serpa en pouco máis de media hora Argumentaron que o niño estaba demasiado alto, que non tiñan unha escada axeitada e que non poderían realizar o traballo. Foi pouco despois do Nadal e logo de que os propietarios avisasen á Xunta. Máis tarde recorreron ao Concello, pero a ameaza deste importante exame seguiu alí ata que Vázquez, coñecedor da nova pola prensa, decidiu acudir á parroquia de Sistallo. Fíxoo en forma de denuncia e para demostrar que a grave problemática que xa afecta máis da metade dos concellos galegos ten solucións máis eficaces das probadas polas administracións e, sobre todo, "que é cuestión de vontade e de poñer os medios". "É indignante; vale que digan que non chegan aos 30 metros, pero ese niño nin tan sequera chegaba a iso, senón a uns 18... Pódense retirar estes niños de sobra e de feito noutros concellos Tragsa si accede a eles", explica o responsable de Serpa, que acabou o traballo en pouco máis de media hora e cuxo método alcanza enxames ata a 50 metros. A través de varias pértegas que se van unindo e apoiándose nas pólas da árbore chega ao niño, onde un tecido impregnado en gasóleo -ou con gas noutros casos- arde para queimar as avespas. "Fíxeno como exemplo, para demostrar que o que falta é vontade política e medios", di o responsable da empresa Serpa Así eliminou Vázquez centos nos últimos meses ante a pasividade, a ineficacia ou a tardanza das administracións. Foron varios os concellos que se puxeron en contacto coa súa empresa, cuxo responsable insiste en que "faltan efectivos, organización, coordinación e un método que chegue ás alturas onde aniñan algunhas avespas". O protocolo que segue é case sempre o mesmo. Recibe a chamada, indícanlle os lugares onde están situados os niños, acómpañao un responsable do Concello ou o particular e pasa a factura. Sen máis, aínda que neste caso fíxoo de balde para chamar a atención sobre a problemática e sobre o desleixo da Xunta. "É un cachondeo", explica, farto de advertir da grave incidencia da praga e das necesidades de achegar medios e apostar por métodos eficaces que mingüen a presenza da avespa asiática, que é especialmente importante e agresiva na Mariña, no Ortegal, en Ferrolterra ou no Baixo Miño. A falta de coordinación, de medios e de pesoal fai insuficiente a retirada de niños da avespa asiática, que segue a expandirse Vázquez ten claro que é o que falla. "Hai que afrontar a situación a nivel municipal, en cada concello, onde debería haber unha ou dúas persoas encargadas de localizar os niños permanentemente para logo exterminalos; se se buscan, atópanse, pero hai que ser rápidos porque dun niño saen novos enxames", explica quen aposta pola coordinación a nivel comarcal ou da Xunta, pero, sobre todo, pola procura dos niños por parte das administracións locais. "Patear o monte cun mapa, indicar o lugar e mesmo as coordenadas e logo actuar, esa é a clave", insiste. A esta ausencia de coordinación e persoal engádeselle o problema escenificado en Cospeito. A empresa pública Tragsatec négase a eliminar os niños que se sitúan sobre os 20 metros, cando cada vez son máis os que superan esa altura e mesmo alcanzan os 50. A empresa matriz, actualmente cun ERE, tampouco se adapta aos horarios máis axeitados para a retirada da velutina segundo moitos expertos e en moitos casos non acoden ás chamadas coa premura necesaria. Tamén esgrimen falta de medios e material axeitado, mentres unha empresa unipersoal da Mariña segue a suprimir niños e a Xunta continúa sen adoptar un plan global e de coordinación para acabar cunha praga que ameaza con ser maior a partir desta primavera. A praga de velutina afecta máis da metade dos concellos galegos Polo momento, hai un total de 160 concellos galegos afectados segundo os datos da Consellería de Medio Rural, unha cifra que ben seguro é peor. A media de avisos é dunhas 25 chamadas diarias ao 112. E houbo máis de 3.200 niños retirados ou neutralizados tan só pola Xunta ata o mes de novembro. As consecuencias son graves para as colmeas e o sector apícola, así como para o forestal, o froiteiro e para a seguridade cidadá. Desde que se avistasen os primeiros exemplares de velutina aló por 2012, o problema segue medrando e as solucións continúan sen chegar. "Non se pode tomar isto a cachondeo, é todo unha comedia", remata José María Vázquez. |
NOS_57163 | Colectivos sociais advirten de que o exceso de luces non oculta as "sombras de miseria" na cidade. O movemento feminista denuncia que foi boicoteado no día Internacional Contra a Violencia Machista, facendo coincidir o acendido no mesmo lugar e hora que a marcha convocada. | O alumeado e a decoración de Nadal en Vigo terán un custo similar o destinado polo resto de cidades galegas xuntas. O goberno municipal duplicou a partida con respecto os dous anos anteriores até os case 800.000 euros, o que espertou de novo as críticas dos movementos sociais. "Cansa padecer un goberno que destina tantos recursos en agochar a miserenta realidade na que malviven moitas veciñas", denuncian desde a Oficina de Dereitos Sociais (ODS) de Coia, que chaman a non quedar "cegadas" polas luces. "Dinnos que Vigo está en competencia coas grandes cidades do capital: Nova Iorque, Londres, Tokio, Barcelona… 'Cidades globais' nas que moitos movementos veñen denunciando os problemas de acceso á vivenda", critican desde o colectivo veciñal. Así, unha nova burbulla asoma na cidade. As propias empresas inmobiliarias veñen de advertir de que a demanda de aluguer podería superar a oferta de pisos para 2018, incrementando máis os prezos e facendo inasumible para unha familia de renda media acceder a unha vivenda en bo estado. "Só na nosa contorna dúas compañeiras están pendentes de despexo. A elas agardamos non ter que engadir a unha familia, perceptora de RISGA, que finaliza o contrato de alugueiro sen máis horizonte que as rúas da cidade, posto que o mercado só oferta vivendas impagables cos seus ingresos", manifestan desde a ODS-Coia. O acendido tamén estivo marcado pola polémica. Previsto para o 24 de novembro, as previsións de choiva fixeron que o Concello movera un día o inicio do alumeado. Mais nesa data, e a mesma hora, estaba convocada a marcha polo día Internacional Contra a Violencia Machista, que quedou invisibilizada polas miles de persoas que acudiron o evento de Nadal. "Onte foi un día importante para a loita feminista, tódolos 25 de novembro o son, e aínda que sempre é difícil onte fíxose un pouco máis ao sufrir catro compañeiras agresións físicas e verbais ao tentar chegar a farola de Urzaiz para saír en manifestación. Agresións machistas que tiveron lugar na masificación provocada polo acendido navideño e mentres o alcalde de Vigo daba o seu discurso sobre o capitalismo, tan importante nestas datas, nun 25 de novembro que ningunha relevancia lle tiña", sinalan desde a Asociación Nós Mesmas, nunha información recollida por Galiza Contrainfo. A pesar da contra-programación de @abelcaballero co prendido das luces de nadal, o movemento feminista fíxose escoitar nas rúas de Vigo este #25N #ContraAsViolenciasMachistas https://t.co/Qd5JwbL5nG— Galiza Contrainfo 🔥 (@gzcontrainfo) 27 de noviembre de 2017 O gasto no resto de cidades En Compostela, este ano adiantaron a acendido o 30 de novembro, e cun custo que duplica o do ano anterior, ao redor de 200.000 euros nunha licitación bianual. A seguinte en facelo será Pontevedra, prevista para o 1 de decembro, cun gasto de 82.000 euros nun contrato que inclúe tamén o alumeado das festas da Peregrina e do entroido. Na mesma data, Ourense e Lugo, con contratos de 88.900 euros e de 41.745 respectivamente. En Ferrol, con 78.000 euros de partida, e na Coruña, cun gasto similar o pasado ano superior os 300.000 euros, prenderán o alumeado o 5 de decembro. |
NOS_9268 | Unha ampla representación social pide a Europa que considere que o proceso de licitación iniciado pola Consellaría de Educación -que agora está paralizado- non é válido. | Unha vez avanzados varios pasos na Galiza, como é a paralización da contratación do servizo por parte da Xunta, a ANPA do CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel levou a súa denuncia contra a Consellaría de Educación polos cambios no transporte escolar até a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. As nais e pais do alumnado deste centro de Folgoso do Courel sosteñen que o modelo de contratación que tiña previsto o Goberno galego -e que de feito puxo en marcha deixando fóra aos taxistas do municipio, que eran os que facían os traslados até agora- non é o axeitado. Nun escrito asinado tamén por este colectivo e representantes do BNG e Courel Vivo, a ANPA defende que o sistema vello "garante a cohesión socioeconómica, xa que ademais de prestar o servizo de accesibilidade a escolares, contribúe a fomentar o emprego na zona". De seguir adiante o plan da Administración Galega os itinerarios serían diferentes, polo que entenden que o transporte público "reduce o tempo de traslado". "A cuestión de fondo é a necesidade de servizos nas zonas de montaña, que debe estar garantida polas diversas administracións públicas a través de políticas inclusivas de cohesión territorial", inciden na súa reclamación. Por outra parte engaden que a modalidade na que pensa a Xunta para a licitación implica unha "vulneración da normativa comunitaria". En concreto, o colectivo alude a unha resolución do Parlamento Europeo do 3 de outubro de 2018, cando este abordou as necesidades das zonas rurais da UE. Refírense aos artigos que recollen as características dos transportes regulares. "Consideramos que, segundo están as bases de licitación do transporte escolar, a dita convocatoria non se lles permite concorrer aos actuais adxudicatarios, todos eles taxistas autónomos locais con vehículos de nove prazas axeitados para as estradas e rutas da zona, o que comprometería a viabilidade económica dos seus negocios, vulnerando así o citado Regulamento Europeo e o obxectivo da cohesión social e económica", avisa. |
PRAZA_10956 | É calquera cousa menos novidoso que Feijóo aposte por pactos PP-PSOE, pero reiteralo na última semana serviulle para volver emerxer nun medio do que gusta especialmente, o do debate político estatal | É calquera cousa menos novidoso que Alberto Núñez Feijóo aposte por pactos entre PP e PSOE en España e mesmo en Galicia. Tanto para acordar medidas concretas -caso da aplicación dos recortes sanitarios en plena crise- como para propiciar a investidura na presidencia do Goberno central sen contar con outras forzas políticas, mesmo pola vía dun Executivo de 'gran coalición' entre ambos partidos. A pouco que se repase a hemeroteca non é difícil atopar múltiples declaracións do presidente da Xunta nese sentido, tanto dende o atril de San Caetano como en discursos públicos ou en resposta aos medios de comunicación.É calquera cousa menos novidoso que Feijóo aposte por pactos PP-PSOE, pero reiteralo na última semana serviulle para volver emerxer nun medio do que gusta especialmente, o do debate político estatalMalia non responder, daquela, a unha mudanza de discurso ou estratexia por parte do líder do PPdeG, o feito de que nos últimos días apostase abertamente -en declaracións a medios como La Voz de Galicia e Onda Cero- por unha coalición entre populares e socialistas que desatranque a investidura de Pedro Sánchez tras o aparente fracaso das negociacións con Unidas Podemos axitou o debate estatal. Múltiples cabeceiras e analistas aferráronse a esas declaracións, estratexicamente colocadas nos días posteriores ao mitin de Feijóo e Pablo Casado en Cotobade. Este mesmo domingo pronúnciase no mesmo sentido nunha entrevista co ABC. O presidente galego volve sacar cabeza nun medio no que se sente particularmente cómodo, o do debate político alimentado dende a prensa de Madrid, a mesma que -especialmente dende os eidos máis conservadores- ollou cara a el con desaire cando, en xuño de 2018, anunciou que non competiría pola sucesión de Mariano Rajoy no acto solemne máis agre da historia recente do PPdeG. Aquela retirada dunha carreira inzada de pedras no camiño incluía unha explicación que soou a escusa neses ámbitos: o seu "compromiso" con Galicia finalizaba en 2020.Sexa como for, o certo é que 2020 está ás portas e, cando menos de momento, o PP ostenta o liderado electoralmente máis feble da súa historia dende os tempos de Alianza Popular. Tras o esfarelamento do 28A, unhas eventuais novas eleccións xerais poderían darlle osíxeno a un atribulado Pablo Casado que, non obstante, axita a idea da confluencia electoral con Ciudadanos -e, se cadra, tamén con Vox- baixo as siglas de España Suma para estar en condicións de disputar o goberno ao PSOE. A primeira batalla para o 10N -de celebrarse- e para os comicios galegos pode ser o debate de política xeral que o PPdeG vén de adiantarE neste punto Feijóo tamén saca a cabeza, para eloxiar esa confluencia de dereitas, pero para "fóra de Galicia" porque "Galicia Suma", a marca rexistrada pola dirección estatal do PP durante este verán, xa é "o PPdeG". En calquera caso, a constitución dunha coalición das dereitas para confrontar con Pedro Sánchez nas virtuais eleccións xerais do 10 de novembro non se corresponde coa aposta pola gran coalición para poñer a andar a lexislatura sen previo paso polos novos comicios. Dende a madrileña rúa de Génova din que, en realidade, Feijóo está a dicir o mesmo ca eles, publicaba esta semana o diario El Mundo.Este rexurdir estatal do presidente da Xunta chega no clima preventivamente preelectoral estatal e preelectoral tamén en Galicia, neste caso cara ás eleccións polo momento previstas para dentro dun ano. A primeira batalla galega para o 10N -de celebrarse- e para os comicios galegos pode ser o debate de política xeral, que o PP adiantou dúas semanas sobre que é habitual, facéndoo cadrar así ou cun pacto in extremis do PSOE con Podemos ou ben coa ratificación da repetición electoral. Caballero e Pontón animan dende a ironía o líder do PPdeG a que os seus deputados no Congreso voten a prol de Sánchez; ambos estarán nos carteis electorais de PSdeG e BNG, Feijóo aínda está por verNese debate estará o socialista Gonzalo Caballero, que tras a súa estrea parlamentaria desta semana en sesión de control como líder da primeira forza da oposición, terá que preparar agora con menos tempo do previsto o seu primeiro gran debate no Pazo do Hórreo. É tamén a derradeira sesión de política xeral da lexislatura, onde o PP se apoiará na situación estatal para zorregar dialecticamente nel. O secretario xeral e candidato do PSdeG anima a Feijóo a pasar das palabras aos feitos e animar os 9 deputados do PP galego no Congreso a votar "si" a Sánchez, un reto que, ironicamente, lanzou tamén a nacionalista Ana Pontón. Agás sorpresa maiúscula, tanto Caballero coma Pontón aparecerán nos carteis electorais de PSdeG e BNG con independencia do que pase coa investidura de Sánchez. Está por ver se sucede o mesmo con Feijóo no PPdeG. |
NOS_2396 | O Marianne chegou ao porto de Ashdod despois dun asalto do exército israelí no que se usaron pistolas "taser" contra un pasaxeiro, A voceira do BNG en Bruxelas foi liberada e deportada a Madrid ao igual que outros dous representantes políticos. | A páxina oficial de Rumbo a Gaza informaba a última hora da noite de que o Marianne chegara ao porto de Ashdod e que o cónsul español en Xerusalén puidera falar coa voceira do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, única tripulante do Estado español que seguiu durante toda a travesía. Segundo informa Rumbo a Gaza, Miranda podería ser repatriada en breve. Despois da captura en augas internacionais, segundo sinalan, ao menos un tripulante tería sido agredido con pistolas "taser" de descargas eléctricas. Rumbo a Gaza conseguiu poñerse en contacto cos pasaxeiros do Marianne e confirmou o óptimo estado de toda a tripulación. Esta terza feira por volta das 8:48h foi comunicada a liberación do deputado palestiniano na Knesset, Ghattas e o ex-presidente da Tunisia, Marzouki. As demais persoas que compuñan a tripulación da Flotilla terían sido trasladadas á prisión de Givon (Israel), de acordo coa información difundida por Ship To Gaza Sweden. Actualización: el diputado de la Knesset, Ghattas y el tunecino Marzouki han sido liberados. Esperamos que @anamirandapaz lo sea hoy— Rumbo a Gaza (@rumboagaza) 30 junho 2015 Pola súa banda a voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, foi posta en liberdade a primeira hora da mañá e deportada nun avión con destino Barajas. O Marianne no porto de Ashdod. Foto: Rumbo a Gaza. |
NOS_50309 | A patronal da enerxía eólica galega presentou as súas cifras de 2019 e anuncia que as empresas do sector están en condicións de aproveitar as directrices que virán de Europa para medrar. Creación de emprego e achegas económicas en forma de taxas e impostos son os aspectos positivos que poñen por diante na súa análise de situación. | A presentación onte por parte da Asociación Eólica da Galiza (EGA) do informe da situación deste sector das enerxías renovábeis no noso país do ano 2019, así como a súa evolución durante o período comprendido entre 2015-2019, evidenciou o seu bo momento e clarificou que as súas perspectivas de futuro ollan cara ao mar. O estudo, denominado Impacto Económico e Social do Sector Eólico na Galiza, analiza os cambios regulamentarios, novos marcos lexislativos en relación cos acordos internacionais en materia enerxética, así como os contínuos avances da tecnoloxía. O presidente de EGA, Manuel Pazo, anunciou na presentación que o obxectivo da asociación durante o próximos cinco anos é, "coa instalación das previsións" que teñen, poder "chegar a equilibrar demanda e produción eléctrica até conseguir que o 100% sexa renovábel". A súa meta é "recuperar" a instalación duns 500-600 megawatts anuais nos próximos cinco anos Impacto no emprego O informe asegura que a construción da nova potencia eólica propiciou o aumento do emprego, un total de 1.548 postos de traballo equivalentes en 2019. Ese ano o sector eólico empregou directamente 4.886 profesionais (45% máis que en 2018). Adicionalmente, debido ao efecto de arrastre deste sector sobre outras actividades, xeráronse 2.136 empregos indirectos. En total, o sector eólico empregaba 7.022 profesionais en 2019, de maneira directa e indirecta, asegura a EGA. Na análise por subsectores o que máis aumentou foi o de Promotores e Explotadores, cun aumento directo de 479 profesionais en 2019. A maior parte dos profesionais do sector atoparíanse ligados non tanto á explotación de parques eólicos como ás actividades do tecido industrial deste sector, representando 90% do total do emprego directo xerado, alcanzando os 4.407 profesionais. En segundo lugar, estaría o subsector de Fabricantes de Equipos, que alcanzou os 718 profesionais seguido das empresas de Servizos Complementarios (2.998 profesionais). Repercusión a partir das taxas e impostos Segundo este traballo, a instalación de parques eólicos repercute de maneira directa tamén na economía local a través do pago de taxas e licenzas nos concellos onde se sitúan, e a través dos pagos de arrendamentos ás persoas que son propietarias dos terreos onde se sitúan estas instalacións. Sinala ademais, como aspecto positivo, que na maior parte dos casos, pode ser compatíbel cos usos tradicionais deses terreos, polo que estas rendas eólicas son ingresos adicionais. As arcas dos municipios galegas recibiron en 2019 en concepto de impostos 37,5 millóns de euros. Da mesma maneira, o importe das rendas a propietarias e propietarios abonado na Galiza por estas instalacións ascendeu en 2018 a uns 11 millóns de euros. Este sector achegou tamén, a través do Canon Eólico da Xunta, ao redor de 23 millóns de euros que reverten nos entes locais que contan con parques eólicos a través do Fondo de Compensación Ambiental. Por último, a través do Imposto sobre Sociedades e o Imposto sobre o Valor da Produción da Enerxía Eléctrica o Estado recada 57,7 millóns de euros, o que supón o 48,8% do importe destinado a impostos e tributos deste sector na Galiza. Caso á aparte merece a situación de Muras, concello no que cos ingresos das empresas eólicas conseguiuse abaratar o prezo da luz das súas veciñas e dos seus veciños por decisión do seu Goberno municipal, encabezado polo nacionalista Manuel Requeixo. Obxetivo: medrar na eólica mariña Na presentación deste informe, a patronal asegura que a industria eólica na Galiza ten presenza "relevante" en todas as actividades da cadea de valor, "mesmo" na eólica mariña. Neste apartado Manuel Pazo incidiu en que a transición enerxética "é un dos obxectivos prioritarios da Unión Europea" e opinou que "a crise vai acelerar esta transición". Neste escenario, considera que "o futuro da xeración é a eólica mariña" e advertiu de que Galiza "conta con todo" para o seu desenvolvemento, debido á "diversificación do naval". Pazo explica que se "está a tentearse o mercado", neste ámbito, que augura que será "a primeira fonte de xeración nos próximos anos en Europa", en concreto a eólica mariña flotante. Por último, o informe presentado pon de manifesto o impacto positivo que ten a enerxía eólica en termos de beneficios ambientais, unha cuestión que rexeitan diferentes plataformas e grupos ecoloxistas da Galiza. |
NOS_4699 | O carácter extraordinario das eleccións xerais, cunha campaña polarizada e de marcado carácter español, provocou que o Partido Popular perda a condición de forza política máis votada na Galiza, que fica sen partidos propios en Madrid ao non conseguir representación o BNG -que duplicou o resultado de 2016-, nin En Marea - que sofre un duro revés ao acadar pouco máis do 1% dos apoios-. | O extraordinario duns comicios estatais convocados por Pedro Sánchez tan só dez meses despois de recalar na Moncloa logo da moción de censura contra o Goberno do PP prognosticaba unha alta mobilización que finalmente se confirmou. As eleccións percibíanse como decisivas. O medo á dereita -encarnada nos seus extremos por PP, Ciudadanos e Vox-, que centrou a súa estratexia electoral na loita contra o independentismo e pola unidade de España, foi determinante e conseguiu mobilizar o electorado de esquerdas en clave española. As dúas caras da moeda foron PP e PSOE. O partido de Feixoo, que na sexta feira viaxaba a Madrid para arroupar Pablo Casado, o seu xefe de filas, no feche de campaña, perde a condición de partido político máis votado na Galiza e faino após 37 eleccións como primeira forza. O PP, que en 2016 contara co apoio do 41,53% do electorado en 2016, deixa polo camiño tres actas e fica con nove e o 27% dos apoios, mentres que o PSOE, o principal beneficiario da situación co 32% das papeletas, acaba con dez escanos, catro máis que en 2016, cando obtivera o 22,21% dos votos. En Común-Unidas Podemos, a opción apoiada por Podemos e Esquerda Unida, amais de Equo, acada o 14% dos apoios e retén dous deputados, o da Coruña e o de Pontevedra. Nas anteriores eleccións, cando se presentaran baixo o auspicio de En Marea, conseguiran cinco parlamentares e o 22% dos votos. Os outros dous escanos son para Ciudadanos (11%), que en 2016 non conseguira acta ningunha co 8,62% dos votos mais si lograra un asento en 2015. BNG e En Marea, a cara e a cruz A dinámica españolista dunha campaña electoral polarizada e dos meses previos deixan Galiza sen forzas políticas propias, ao non conseguir nin BNG nin En Marea escano ningún. BNG e En Marea tamén representan a cara e a cruz. O Bloque, aínda que non logrou o seu obxectivo de contar con asento no Congreso, evidencia a súa remontada, ao conseguir duplicar os apoios a respecto das anteriores eleccións xerais, ao pasar do 2,89% ao 5,7%, e contribuír na derrota da dereita. Pola contra, o 1,08% de En Marea deixa o partido en coiros e nunha situación delicada o seu portavoz, tamén xefe de filas da oposición no Parlamento de Galiza. PACMA supera En Marea nas circunscricións de Pontevedra e A Coruña. Por detrás do Bloque sitúase en apoios a forza ultradereitista Vox, que pasou de 0,07% de apoios en 2016 a 5,2% nestas eleccións. Segue moi perto a En Marea (1,08%) PACMA (1,02%) e a continuación, Recortes Cero-CV, co 0,17% e Compromiso por Galicia, co 0,17%. O nacionalismo, determinante para derrotar a dereita españolista O nacionalismo resultou clave para derrotar a dereita españolista, que non logra sumar coas súas tres patas. O PP sufriu unha caída histórica ao perder a metade dos seus escanos, de 137 pasou a 65 e cedeu 4 millóns de votos; Ciudadanos subiu de 32 a 57 e Vox estréase con 24 parlamentares. O PSOE sobe de 85 a 123 asentos e Unidas-Podemos cae de 45 a 35, co cal, Sánchez terá que contar coas forzas soberanistas para poder formar goberno ou ben aliarse cun dos arietes da dereita españolista: Ciudadanos. Resultado histórico de ERC En Catalunya, o conflito que mantén os líderes independentistas presos ou exiliados foi o factor máis decisivo na mobilización do electorado. O bloque soberanista requirira da mobilización para denunciar a represión e para ser máis forte no Congreso, co fin de condicionar o futuro Executivo. Conseguiuno. ERC gaña as eleccións e pasa de 9 a 15 escanos; seguido do PSC, que sobe de 7 a 12; de ECP-Guanyem el Canvi, a franquía catalá de Unidas-Podemos, que cae de 12 a 7 e de Junts per Catalunya, que suma 7, fronte aos 8 que conseguiran baixo a marca CDC. Ciudadanos mantense en 5 e o PP cae de 6 a 1. Tamén logra 1 Vox. O mapa electoral deixa os seguintes resultados en Euskadi. O PNV sobe de 5 a 6 escanos e PSOE pasa de 3 a 4; Unidas-Podemos cae de 6 a 4 EH-Bildu experimenta unha importante suba, ao pasar dous a catro escanos. O PP cede os dous que tiña e Ciudadanos e Vox continúan a ser residuais. Report Classic Infogram User Dashboard Infogram Copy: Report Classic Infogram Participación ao Congreso Infogram |
NOS_25056 | A líder do BNG ve na sentenza un triunfo para Pontevedra e para Galiza e pide a Núñez Feixoo e a ENCE que "asuman a súa derrota" e empecen a traballar no traslado "canto antes". | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera que a sentenza deste 16 de xullo da Audiencia Nacional que estima o recurso do Concello de Pontevedra e o de Greenpeace e anula a prórroga da concesión da planta de Ence na ría de Pontevedra -concedida polo Goberno de Mariano Raxoi cando estaba en funcións- é "un triunfo para Galiza e para Pontevedra", así como para o Concello que lidera o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores e para "a maioría social" que leva "décadas" loitando para que a pasteira marche da ría. "É un gran día e unha gran vitoria para o país, para Pontevedra e un éxito colectivo da cidadanía, cunha sentenza que dá a razón a quen denunciamos que a prórroga concedida polo PP en tempo de desconto era non só inmoral senón tamén ilegal. Unha decisión do Goberno que non respondía ao interese xeral senón ao interese particular dunha empresa empeñada en pasar por riba da lei e da vontade da cidade de Pontevedra", argumentou Pontón. A decisión da Audiencia Nacional supón "un non rotundo" ao intento da pasteira de consolidarse na ría e pon o foco na necesidade de traballar para que haxa unha alternativa. "E canto antes se asuma que o futuro da fábrica pasa polo traslado será mellor para preservar o emprego e para buscar outra ubicación para a factoría", indicou, e por iso, "Xunta e Ence teñen a responsabilidade de liderar ese proceso e porse mans á obra canto antes para buscar unha nova localización". A responsabilidade, subliñou a líder do Bloque, "de que se manteña a fábrica e o emprego é neste momento do Goberno galego e da propia empresa, que deben traballar para executar o traslado", asumindo o que estabelece a sentenza. "Hoxe é un día para celebrar", recalcou Pontón, que instou o Executivo de Feixoo e á pasteira a que acepten a decisión da xustiza. "Que deixen de obstaculizar e deixen de facer trampas e se coloquen na posición máis racional que é a de buscar outra localización para a factoría", concluíu. |
NOS_6869 | BNG e PSdeG alertan do elevado número de queixas en sanidade e política social e o PPdeG destaca a colaboración da Xunta coa Valedoría | A valedora do Pobo, María Dolorres Fernández Galiño, chamou a atención sobre a "particular" afectación da pandemia da Covid-19 nas persoas LGTBI durante a súa comparecencia no pleno da Cámara galega, no que se trataba o seu informe correspondente ao ano 2020. No hemiciclo, mostrou a súa preocupación sobre a situación vivida polas persoas LGTBI que tiveron que convivir durante o confinamento domiciliario cunha familia que "non acepta a súa orientación sexual ou identidade", así como polas que, en xeral, se ven obrigadas a convivir "forzosamente" en espazos onde "esta orientación ou identidade non está recoñecida polos demais". A valedora do Pobo fixo fincapé na situación de "soidade" que atravesan as persoas deste colectivo que son usuarias de residencias, así como a "imposibilidade" de que durante a pandemia se poidese seguir a facer reunións dos grupos de apoio. 33% das queixas; seguida de Política Social, co 20%, e Educación co 13% Outro aspecto sobre o que incidiu durante a presentación do informe da Valedoría do Pobo ante o pleno da Cámara e despois de que o documento xa fose debullando en comisión parlamentar, foi a paralización dos trámites xudiciais durante a primeira onda da pandemia, que determinou "unha demora nos expedientes de cambio de sexo". Fernández Galiño detallou que todos estes asuntos foron abordados en reunións con asociacións de defensa dos dereitos das persoas LGBTI e que, ademais, a institución tramitou unha queixa de oficio despois de coñecer polos medios "a existencia dun procedemento xudicial de cambio de sexo rexistral con informe desfavorable ao non ter a persona solicitante un diagnóstico de disforia". "O que nos ensinou a historia e no que coinciden todos os estudos é que nun desastre comprométense os dereitos humanos", manifestou a valedora do Pobo, que lembrou que "dun día para outro" se entrou nunha fase de confinamento. "A Valedoría empezou a recibir queixas e chamadas nas que se manifestaban situacións derivadas do confinamento, das limitacións de liberdades de deambulación e reunión, da situación sanitaria, do peche da actividade económica, das medidas de protección, das probas diagnósticas, da ausencia de ingresos, do corte de subministracións básicas...", sinalou. Neste sentido, explicou que a pandemia motivou a apertura de 33 investigacións de oficio entre o 14 de marzo e o 21 de xuño, fronte ao tres iniciadas no mesmo período do ano anterior. "Un total de 222 queixas e investigacións específicas de Covid-19 recibidas desde o 14 de marzo até o 21 de xuño", sinalou a valedora, que incidiu en que "a situación xerada polo primeiro confinamento e as posteriores restricións deron lugar a unha lóxica preocupación pola garantía dos dereitos, especialmente os das persoas máis vulnerables". Un contexto no que o traballo da institución aumentou "en todos os sentidos". Así, incrementouse o número de asuntos, a cifra de persoas que pediron atención ou asesoramento, as actuacións, as actuacións de oficio, así como o número de resolucións, entre outras. A primeira en intervir despois da valedora foi a deputada do PSdeG Noelia Otero, quen considerou que o informe presentado por Fernández Galiño dá conta da "factura" do impacto da Covid sobre os servizos sociais, danados por anos de políticas de "desmantelamento e privatización" da Xunta. Otero advertiu que máis da metade das queixas rexistradas pola Valedoría do Pobo refírense a problemas na sanidade e na política social, que "reflicten a situación dos dereitos sociais no noso país" e "ilustran sen dúbida onde está e onde non está a vontade" do Goberno galego. Así, sinalou que Sanidade recibiu o "33%" das queixas; seguida de Política Social, co 20%, e Educación co 13%. Pola súa banda, o parlamentario do BNG Daniel Castro tamén lamentou que para "sorpresa de ninguén" as áreas con máis queixas sexan as de sanidade, política social e educación, "con graves críticas e queixas no referido á vivenda". "O informe vén dicir o de sempre, o que lle vimos dicindo á Xunta desde hai anos... Que cando levamos toda a vida criticando o seu modelo de vivenda pública, de residencias, de sanidade, que tiñamos razón", sostivo para lamentar que unha de cada tres queixas teñan que coa sanidade, especialmente con "as listas de espera". Despois de citar tamén os "atrasos en dependencia" e a pouca "presenza do público" en política social, referiuse tamén ás queixas recibidas en relación ás políticas de vivenda. Ademais, aproveitou a súa intervención para pór en valor que cada vez máis persoas se comuniquen con esta institución en galego e lamentou a "grandísima diferenciación de queixas" entre o mundo urbano e o rural. Despois da intervención da oposición tomou a palabra a parlamentaria do PPdeG Paula Prado, quen destacou que "ao longo de todo o informe intúese unha moi boa colaboración" da Administración galega coa institución". "Mostra que a Valedoría non se percibe como un ente inquisidor, senón como un ente colaborativo que axuda ás diferentes institucións a prestar mellores servizos", apuntou. Ademais, despois de que os grupos da oposición referísense ás reclamacións en sanidade, dixo que "é normal que sexa o servizo con máis queixas" tendo en conta que é un servizo no que traballan uns 44.000 profesionais e ao que "acoden centos de miles de persoas a diario". |
QUEPASA_61 | Inventor: SAMUEL MORSE (1791-1872) Fabricante: MAISON & BREGUET (PARÍS) Cronoloxía: 1890-1891 | Telégrafo que consta de dúas pezas: manipulador e receptor. O manipulador consiste nunha panca metálica que pode oscilar sobre un eixe. Presenta tres bornes en forma de pivote externo, co contacto e o resorte no mesmo lado. Pulsando o extremo da panca prodúcese o contacto eléctrico. O receptor está formado por un electroimán que atrae unha pequena placa metálica que, no seu movemento, arrastra unha panca móbil sobre un eixo. Esta panca remata nun pequeno punzón que deixa un risco, curto (punto) ou longo (raia), sobre unha banda de papel envolta nun tambor que recibe un movemento regular dun aparello de reloxería. Os telégrafos constan de catro partes fundamentais: pila, arame de liña, manipulador e receptor. O manipulador e o receptor están enlazados polo arame, o cal conduce a corrente dunha pila dende o primeiro ata o segundo. Cando o manipulador non funciona, o arame de liña está en contacto co receptor. Cando se pulsa o manipulador a corrente da pila pasa ó arame da liña. A grande innovación deste aparello consiste na capacidade de rexistro das comunicacións recibidas sobre unha tira de papel, collida como nun laminador entre dous cilindros que se moven por un mecanismo de reloxería. O telégrafo de Morse requiría unha linguaxe especial baseada en contactos longos e curtos do manipulador (código Morse). Combinando varias raias e puntos obtéñense, segundo convenio, signos equivalentes ás letras do alfabeto. Samuel Morse naceu en Massachussets en 1791. Fillo dun pastor calvinista, durante os seus estudos na Academia Phillips e na Universidade de Yale, nunca demostrou demasiado interese polas clases, agás pola pintura e a electricidade. Despois de graduarse en Yale, viaxou a Londres a estudiar belas artes, converténdose alí en retratista e escultor de éxito. Ao seu regreso a EEUU converteuse nun dos pintores mais importantes e respectados do país. Pero pouco a pouco Morse foille prestando mais atención á química e á electricidade, e así, nunha viaxe de barco, e despois de oír unha conversa acerca do invento do electroimán, pensou na idea de crear un telégrafo eléctrico que servise para enviar mensaxes a longas distancias a través dun cable. En 1835 xa tiña o primeiro prototipo de telégrafo, e en 1838 xa creara o código que permitía cursar as mensaxes. No 1843, o Congreso de EEUU asignoulle 30.000 dólares para construír unha liña telegráfica de 60 km. que uniría as cidades de Baltimore e Washington. En maio de 1844, a primeira liña telegráfica electromagnética estaba xa lista para a proba. O 24 de agosto dese mesmo ano, Morse enviou dende o Capitolio a primeira mensaxe telegráfica do mundo, converténdose así nun heroe nacional. A frase que transmitiu foi "What hath God wrought" (O que fixo Deus!). Esta mensaxe significou o nacemento dunha nova era que marcaría de por vida as telecomunicacións e precedería unha serie de inventos a raíz da mellora do telégrafo. Unha vez demostrada na práctica a posibilidade de enviar mensaxes, comezou de inmediato o rápido enlace entre as diferentes cidades de EEUU. Unha parte da fortuna que lle proporcionou o telégrafo dedicouna Morse a subvencionar obras benéficas. Samuel Morse morreu de pulmonía en 1872, pero o seu sistema de transmisión de mensaxes telegráficas por cables de forma inmediata e a longas distancias, así como o código que el mesmo ideou, é o máis sinxelo e práctico que a humanidade empregou durante moitos anos. A pesar da aparición moito despois do telex e do fax e, por último, do correo electrónico, aínda hoxe séguese empregando, aínda que a moita menor escala. Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco. OUTROS TESOUROS DA FUNDACIóN Tesouros da Fundación: Cámara escura fotográfica. Tesouros da Fundación: Placa conmemorativa dedicada a Vicente Vázquez Queipo. Tesouros da Fundación: Máquina de escribir Underwood Nº5 . Esquema orográfico e hidrográfico de Galicia. Fonógrafo de Edison Estación Telefónica Interurbana (O primeiro teléfono de Cee). óóleo de Fernando Blanco de Lema. |
PRAZA_2137 | Aleix Tobías é o director de Coetus, a orquestra catalá de percusión ibérica que na vindeira fin de semana traerá a Galicia o seu proxecto 'Ir y venir', unha residencia artística que combina os concertos, os encontros co público e a formación dende a Casa Gasamáns (Ames) | "En Galicia hai unha enorme variedade e riqueza rítmica dentro do folclore, é o lugar que coñecemos onde o folclore está máis vivo". Con estas palabras, Aleix Tobías, o director da orquestra de percusión ibérica Coetus, resume os motivos polos cales a célebre formación catalá, xunto a Eliseo Parra e o dúo arxentino Luna Monti e Juan Quintero, escolleron Galicia para desenvolver unha pioneira residencia artística. Trátase do proxecto Ir y venir, que mesturará cursos de formación, concertos e encontros entre o público e os músicos na próxima fin de semana, entre o 2 e o 4 de outubro, na Casa Gasamáns de Ames. "En Galicia, as expresións musicais xorden con gran naturalidade, nas festas nas foliadas, cun espírito de vivir a festa. Aquí, hai unha relación diferente, máis intensa entre o público e o músico", insiste Tobías, un vello coñecido no sector en Galicia pola súas recorrentes visitas profesionais ao país. Nos últimos tempos, ten participado como batería na gravación do primeiro disco da Orquestra de Jazz de Galicia e ofrecido cursos de formación en entidades como Brincadeira ou masterclass masivas diante de máis de 500 alumnos na ETRAD de Vigo. "En Galicia, as expresións musicais xorden con gran naturalidade, nas festas nas foliadas, cun espírito de vivir a festa" Coetus é un atrevido proxecto de orquestra de percusión ibérica e cuxo obxectivo é a recolleita e posta en valor da abondosa colección de instrumentos de percusión da Península Ibérica. Deste modo, a formación explora e reivindica os instrumentos de percusión, a maioría pouco coñecidos, que ao longo da historia serviron para acompañar as cancións, os romances, as festas e os bailes das diferentes culturas que conviven na península. A proposta, polo tanto, é afondar nos sons de todos estes instrumentos para crear unha linguaxe propia, inspirada nos ritmos tradicionais e nos diálogos coa voz. "No Estado, agás algunhas excepcións, non hai unha cultura de ensembles de percusión, fáltanos moito nesa cultura de orquestración de instrumentos de percusión. Coetus naceu, primeiramente, como un grupo de experimentación e foi medrando porque hai un baleiro, non está moi desenvolvido a linguaxe rítmica da percusión, hai moito por facer", sinala Tobías, quen recoñece que o seu traballo de recuperación e recollida da tradición un musical é "un efecto secundario". "É dicir, todo ese traballo veu dado por unha actividade que nos encanta, é o efecto secundario, unha cuestión derivada, de algo que nos encanta facer que é tocar". Sobre o escenario en Gasamáns, Coetus ofrecerá tres concertos nas noites do venres 2, sábado 3 e domingo 4, reuniranse máis de vinte músicos que, ademais, ao longo das xornadas ofrecerán diversos cursos de formación abertos xa á inscrición. Xunto a eles estarán o mestre Eliseo Parra, unha peza fundamental para esta formación, auténtica referencia estatal para a música tradicional. "Eliseo Parra foi, para todos nós, un mestre e un abridor de portas. A min mostroume todo este mundo cando comecei a tocar con el. Somos un afluente del río Parga", admite Aleix Tobías, quen tamén destaca a colaboración que o vindeiro fin de semana lles brindará a Coetus os músicos arxentinos Luna Monti e Juan Quintero. "Encántanos o que fan, a súa perspectiva do folclore arxentino e hai unha afinidade de proxectos e tamén de conceptos, que pasa principalmente pola recuperación da beleza", sintetiza o director de Coetus. Os músicos arxentinos actuarán en Gasamáns con Coetus e Eliseo Parra nos dous dos tres concertos que se celebrarán alí. As entradas pódense adquirir a través da plataforma www.codetickets.com. O que buscan Coetus xunto a Eliseo Parra é un "experiencia vivida dende o humano e o emocional" coa súa residencia artística Experiencia emocional O que buscan Coetus xunto a Eliseo Parra é un "experiencia vivida dende o humano e o emocional" coa súa residencia artística. "Non é un formato habitual, non se soen realizar este tipo de experiencias no Estado. Queremos establecer unha relación diferente co público. Nos concertos, cando rematan, a relación entre o público e os músicos desaparece moi rapidamente. Aquí furaremos nesa relación, grazas aos encontros pola tarde co público, cos obradoiros de formación e con toda a convivencia. Buscamos unha relación espontánea, natural ao longo do día", sinala Tobías, quen explica que a experiencia está aberta a todo o público, non só a xente especializada. A residencia artística de Coetus en Gasamáns divídese, polo tanto en tres partes. A primeira desas partes serán os cursos de formación que ofrecerán diversos compoñentes da orquestra ao longo das mañás da próxima fin de semana. A segunda delas celebrarase polas tardes e consistirá nun convivio entre o público e os músicos, no que haberá tempo para a conversa, o intercambio, a improvisación e mesmo a merenda. E a terceira das partes centrarase nos concertos que Coetus-Eliseo Parra ofrecerán a partir das 22.00 da noite o venres 2 e o sábado 3 xunto a Luna Monti e Juan Quintero e o domingo 4 ás 20.30 horas, día no que a actuación de Coetus e Eliseo Parra servirá como broche final á experiencia. Durante os encontros pola tarde, ademais, terá lugar a presentación dun novo proxecto musical: Xosé Lois Romero&Aliboria, unha iniciativa galega que busca dinamizar e modernizar a linguaxe rítmica da percusión en Galicia Toda a información do encontro pódese atopar no web www.iryvenir.info ou chamando ao teléfono 650 60 51 52. |
NOS_48201 | A VII Cadea Humana organizada polo colectivo anti-represivo Ceivar decorreu entre unha forte presenza de antidisturbios da Policía española. | Por volta de 300 persoas, entre 330 e 350, tomaron parte en Compostela na VII edición da Cadea Humana pola liberdade dos presos independentistas que percorreu as rúas da zona vella de Compostela. O acto, que anualmente organiza Ceivar, comezou con ducias de solidari@s rodeando a Praza de Galiza entre un forte despregamento da Policía española e faixas, cartaces e lemas contra a represión e de solidariedade cos e coas presas. A seguir, as por volta de 300 persoas partiron en manifestación, en ringleira de a un e unidos polas mans, para percorrer o casco histórico da capital de Galiza en mostra de solidariedade para cos militantes independentistas presos baixo a acusación de pertenza a Resistencia Galega. O acto finalizou na Praza do Toural. |
NOS_24307 | PP, BNG e Marea asinan unha moción conxunta na que cuestionan a "falta de diálogo" entre Executivo e oposición. | Os grupos municipais de PP, Marea Atlántica e BNG na Coruña presentaron no pleno desta quinta feira unha moción conxunta de reprobación ao Goberno de Inés Rei —á que se sumou a concelleira non adscrita, Susana Soneira— polo que consideran unha "antidemocrática" tramitación da Axenda Urbana 2030. Así, as tres formacións afearon que o Executivo local actúe "como se tivese maioría absoluta" ao "non contar" con elas na elaboración do documento que debulla as liñas estratéxicas para o desenvolvemento da cidade de cara ao ano 2030. "O Goberno local actúa en solitario, sen asumir a mínima autocrítica", sinalou Avia Veira (BNG) "Queremos que se reconduza o proceso e que o Goberno local se ateña ao que se aprobou no pleno do 3 de decembro de 2020, cando si avogou por que o conxunto da corporación puidese tomar parte nos traballos de elaboración da Axenda Urbana", sinalou a concelleira nacionalista Avia Veira. Na mesma liña, cuestionou a "actitude kamikaze" de Rei, cuxo Goberno, dixo, "vai en solitario, sen asumir a máis mínima autocrítica" diante dun documento "que transcende este mandato e tamén o próximo". "O documento ten graves carencias", advertiu María García (Marea) María García, portavoz da Marea Atlántica, incidiu tamén no "incumprimento" dese acordo de decembro de 2020: "Non podo dicir que nos sorprenda, pero temos que lamentar que se lle dea este trato a un documento estratéxico, que deseñará as políticas públicas da Coruña para as vindeiras décadas, e que resulta decisivo para acceder a axudas e convocatorias de fondos da Unión Europea". A edil salientou tamén que o documento ten "graves omisións", pois, ao seu entender, "non atende o problema da vivenda, non reflexiona sobre a integración dos peiraos e non ten en conta a planta de Nostián, o modelo metropolitano de xestión de residuos, nin o problema da soberanía enerxética". "Non hai un proxecto de cidade", lamentou Roberto Rodríguez (PP) E desde a bancada popular, o concelleiro Roberto Rodríguez fixo énfase na "absoluta falta de diálogo deste Goberno", o que constitúe, apuntou, un "síntoma" cuxa "enfermidade" é "a ausencia de proxecto de cidade e a súa falta de ambición". "Esta cidade está moi por riba deste Goberno, sábeno e por iso xogan permanentemente ao caneo curto", sentenciou. Pola súa parte, o Executivo de Rei defendeuse alegando que, durante o proceso de elaboración deste documento que marcará as liñas de actuación da cidade na próxima década, contou coas achegas da veciñanza e de diferentes entidades e que este mes constituirá unha comisión na que as forzas da oposición poderán engadir tamén as súas propostas. |
PRAZA_8921 | A plataforma ContraMINAcción presentou a mobilización que terá lugar en dúas semanas en Compostela co obxectivo de frear "a expansión da minaría salvaxe" e de denunciar a connivencia da Xunta. Corcoesto, Xinzo ou A Fonsagrada son só algúns dos espazos ameazados polos 520 proxectos activos. | Corcoesto, Xinzo, A Fonsagrada, Santa Comba, Ordes, Cartelle, Terra Chá, Fragas do Eume ou a Serra do Galiñeiro. Son algúns dos concellos ou espazos que neste momento están ameazados por proxectos mineiros, en distinta fases e na procura de distintos materiais. En total hai na actualidade 520 proxectos mineiros activos, e o número vai en aumento polo renovado interese de moitas multinacionais por explotar certos minerais cun prezo crecente, pola falta de traballo que lles serve de argumento ás empresas para presentarse ante a poboación, e sobre todo pola connivencia do Goberno galego, que no seu Plan Sectorial de Actividades Extractivas permite autorizar minas en calquera lugar especialmente protexido. En total hai na actualidade 520 proxectos mineiros activos, e o número vai en aumento Por todas estas razóns a plataforma ContraMINAcción convoca unha manifestación galega o domingo 2 de xuño en Compostela, co obxectivo de frear "a expansión da minaría salvaxe" e de concienciar a poboación de que non se trata de problemas locais dunha ou doutra parroquia ou concello, senón que ten dimensión nacional e que pode afectar a calquera lugar de Galicia. Xoán Doldán (Véspera de Nada) denuncia a este respecto que as empresas levan a cabo estratexias de expansión "primeiro comezan a explotación nun lugar, deprimen a economia desa zona, o que facilita a explotación de novas terras e a expansión das minas". O obxectivo é frear "a expansión da minaría salvaxe" e concienciar a poboación de que non se trata de problemas locais dunha ou doutra parroquia ou concello, senón que ten dimensión nacional e que pode afectar a calquera lugar de Galicia Todos os colectivos que conforman a plataforma denuncian que a permisividade da Xunta está permitindo "o desembarco masivo de empresas para transformar Galicia nunha mina a ceo aberto", en palabras de Doldán. A pesar dos argumentos empregados por estas corporacións de que levan a cabo "unha minaría moderna, compatible coa protección do medio, o patrimonio cultural e de transcendental relevancia na economía galega", como vén de afirmar a Cámara Oficial Mineira, a visión dos colectivos ecoloxistas e dos sindicatos agrarios é ben distinta. Iñaki Varela (Verdegaia) denuncia que este desembarco está a acelerar "o proceso de morte das zonas rurais" e Isabel Vilalba (secretaria xeral do SLG) alerta de que "se está a expulsar os habitantes das zonas rurais das súas zonas e das súas terras" por culpa de proxectos "que non deixan riqueza nas comarcas que explotan", que "duran poucos anos", pero que "provocan efectos negativos no medio que si permanecen no tempo", segundo lembra o profesor Xoán Doldán. Todos os colectivos fixeron fincapé na "manipulación" e nas "mentiras" que están lanzando dende as empresas mineiras e dende a propia Xunta Todos os colectivos fixeron fincapé na "manipulación" e nas "mentiras" que están lanzando dende as empresas mineiras e dende a propia Xunta de Galicia sobre todo no relativo ao potencial conteminante destas minas e ás expectativas de creación de postos de traballo. Este mesmo xoves os socialistas Francisco Caamaño e Patricia Vilán denunciaron o "engano que se agocha tras a oferta de emprego que acompaña á presenza da mina de ouro" e acusaron a empresa e a Xunta de "xogar coa precariedade laboral existente na comarca" para acadar apoio social á mina de Corcoesto. Tamén Isabel Vilalba lembrou que Alberto Núñez Feijoo prometeu que a mina de Corcoesto crearía 1.400 empregos, cando a propia empresa fala de 270, "que tampouco son reais". "O problema só remata cando se cambia a lei", conclúe Iván Olmos, "pois aínda que paralicemos un proxecto ou outro, estas empresas poderían retomar as explotacíóns en calquera momento" Neste senso, Iván Olmos (Plataforma Veciñal Corno do Monte) lembrou que o proxecto da mina de Feldespatos en Xinzo promete a creación de dez empregos, pero provocará a perda de 350 postos de traballo no agro. "Esas terras producen 27 millóns de euros cada ano e o 90% están activas mesmo con xente nova que comeza a dedicarse á agricultura". Pola súa banda, Roi Veres (Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños) denunciou que os veciños das zonas afectadas contan con moi pouca información "apenas se avisa os propietarios da autorización das explotacións, e nas expropiacións a empresa está ofrecendo 1,2 euros por metro cadrado por terras que se compran e se venden habitualmente por 7 ou 12 euros". Por este motivo, Veres animou os veciños das zonas ás que se vén de estender o proxecto de Edgewater a "informarse e presentar alegacións" pois "os Concellos non se enteran ou non queren enterarse. "Unha vez que están instalados é máis dificil botalos", resume Roi Veres. "O problema só remata cando se cambia a lei", conclúe Iván Olmos, "pois aínda que paralicemos un proxecto ou outro, estas empresas poderían retomar as explotacíóns en calquera momento". |
NOS_5808 | As mortes rexistradas na Galiza en 2012 superaron en 10.000 aos nacementos. A crise agudiza o saldo negativo da poboación galega cunha redución de nacemento dun 2,2 % con respecto ao ano anterior. | Dos 314 concellos só en 26 houbo máis nacementos que mortes. Segundo datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística, a poboación galego experimentou no pasado ano un saldo negativo que afonda na sangría demográfica cunha redución de nacementos dun 2,2%. No pasado ano naceron 21.113 crianzas fronte ao ano anterior que viñeran ao mundo 21.594. As defuncións foron 31.161, un número moi superior aos 29.879 do 2011. A fenda establécese así nun saldo negativo de 10.000 persoas, o que agrava a crise demográfica que o país leva tempo padecendo. O INE sitúa así a Galiza na cola da listaxe en tanto saldo vexetativo, cun menos 10.048, situándose na cabeza Madrid con 25.293 persoas máis. Por concellos, Ames -cun saldo positivo de 200 persoas- encabeza a cativa listaxe dos concellos nos que a poboación medra a seguir de Arteixo, Culleredo, O Porriño, Salceda, Santiago e Pontevedra. En Ferrol, os efectos da crise fanse notar cun saldo negativo de 430 máis enterros que partos. |
PRAZA_9755 | O PP coruñés debuxa un escenario de "medo" na cidade durante o debate das distincións policiais por "traxectoria profesional exemplar", aprobadas por unanimidade. "A Policía, evidentemente, non ten a culpa disto", senón que a ten "un alcalde ao que non lle preocupa a seguridade cidadá", dixo a voceira popular tras citar as cifras de delitos contra a liberdade sexual e violacións | A Coruña será o epicentro dunha das principais batallas electorais das eleccións municipais en Galicia. Dende que en 2015 perdeu o poder tras gobernar a cidade por primeira vez con Carlos Negreira á fronte, o PP situou o goberno da Marea Atlántica como un dos seus albos primordiais cara ao 26M.Con este pano de fondo este luns a corporación municipal coruñesa celebrou pleno ordinario. Entre os asuntos a tratar figuraba a aprobación definitiva das distincións policiais por "traxectoria profesional exemplar" para cinco policías locais, un axente da Garda Civil e outro da Policía Nacional. Tamén, por primeira vez, estender estas distincións á "sociedade civil", cunha condecoración a unha moza que "foi vítima dunha tentativa de abuso sexual" e que "posibilitou, coa súa actuación, a detención que un home que estaba a agredir a mulleres" en Monte Alto, así como a un menor que "alertou da agresión machista que estaba a sufrir a súa nai".O PP coruñés debuxou un escenario de "medo" na cidade durante o debate das distincións policiais por "traxectoria profesional exemplar", aprobadas por unanimidadeAínda que todas estas propostas saíron adiante por unanimidade a voceira municipal do PP, Rosa Gallego, aproveitou a súa intervención no debate para repasar os que, desde o seu punto de vista, son os principais problemas de seguridade da Coruña. Gallego, confirmada este martes pola ex-conselleira Beatriz Mato como número dous da súa lista para o 26M, debuxou un escenario dunha veciñanza "atemorizada" polo "realoxamento sen control de familias conflitivas" ou de "medo" no barrio de Labañou por ese mesmo conflito. "Liamos tamén nos xornais que na cidade os delitos contra a liberdade sexual incrementáronse nun 15%" no último ano, de 53 a 61 "e as violacións, nun 150%, pasando de tres a cinco"."A Policía, evidentemente, non ten a culpa disto", senón que a ten "un alcalde ao que non lle preocupa a seguridade cidadá", dixo Gallego tras citar as cifras de delitos contra a liberdade sexual e violacións"Eu creo que é bastante preocupante", sinalou Gallego tras sinalar as cifras, para agregar a continuación que "a Policía, evidentemente, non ten a culpa disto", senón que a ten "un alcalde ao que non lle preocupa a seguridade cidadá", en referencia a Xulio Ferreiro. Segundo a popular, problemas como estes deberían paliarse con medidas como a "recuperación" da figura da "policía de barrio" ou non "escatimar horas extras", entre outros plans en materia de seguridade que, asegura, estarán "garantidos" se o PP volve gobernar.Ferreiro mostrouse abertamente molesto coas declaracións de Gallego ao constatar que "me acaban de acusar de que aumentan as violacións pola miña culpa". O PP, pola súa banda, reprochou a Ferreiro que non lles permitise retrucar despois de que un concelleiro do equipo de goberno cualificase de "caradura" a un membro do Grupo Popular.O marco das cifras sobre agresións sexuais ás que aludiu Gallego é o dun incremento xeral dos delitos contra a liberdade sexual no conxunto de Galicia. Segundo os datos máis recentes do Ministerio do Interior, o crecemento deste tipo de delitos foi dun 17% no último ano. Medraron tamén as agresións sexuais con penetración, con 56 o pasado ano, a cifra máis elevada dende 2011. |
NOS_12131 | Máis unha vez a dupla luso-arxentina de Filipe Melo e Juan Cavia -de quen xa falamos ao redor de Os vampiros- chegou ás librarías da marxe sur do Miño -na Galiza só teremos a edición en castelán de aquí a un tempo-, desta volta cunha ambiciosa peza coa música como protagonista, un tema suxestivo ao que lle intuímos un trato especial e íntimo coñecendo a traxectoria neste eido do guionista Filipe Melo. | Xa no ocaso da súa vida, o pianista Julien Dubois vive retirado na súa mansión rexeitando calquera contacto co exterior, vítima dos seus pesadelos interiores e dunha vida marcada polo exceso, no que o marco social e as malas decisións marcaron un periplo vital, senón odiseico, si tortuoso e flutuante. Balada para Sophie / Filipe Melo e Juan Cavia / Tinta-da-China / 2020 / 320 páxinas / 32,40 euros A chegada dunha reporteira nova, Adeline Jourdain, consegue abrir as portas da mansión e do espírito do xa canso artista. A través dunha entrevista que se sucede ao longo dos días, a confianza entre os dous irá en aumento, unha vez Dubois atope nela un necesario camiño de redención que o libere dun sempiterno antagonismo fronte a François Samsom, un humilde mais virtuoso neno que esperta xa nun tamén novo Dubois un acio de celos e inseguridades. Paseniño, os enfrontamentos sacudirán a súa vida ao longo das seis décadas que compón este crescendo narrativo de música, amor e guerra que confirmarán que será o propio Dubois o seu único opoñente. A música non se rebela como un simple pano de fondo nunha balada chea de cadencia e harmonía estrutural que contrastará coa cruenta ocupación alemá de Francia ou co descenso ao inferno vital e musical do protagonista. Emporiso que a medida que a obra avanza esta adquire un ton máis persoal a prol de enfocar a expurgación definitiva dos pecados acumulados. Un dos elementos máis plausíbeis de Balada para Sophie será precisamente a capacidade de trasladar 60 anos de vivencia a través dun ritmo pausado mais nada monótono, afianzando a curiosidade do lector a medida que este encara a recta final en busca dun presumíbel desenlace catártico. Fabuloso resulta -coma sempre- o traballo do debuxante, Juan Cavia, que a través dunha característica estilización xeométrica consegue deseñar uns personaxes cos que nos é imposíbel non empatizar desde o comezo. Así mesmo, o uso das paletas de cores cos que se ambientan as escenas, desde as series xánticas, relaxadas e mesmo outonais -o cabo vital do protagonista- até os vermellos extenuantes e perversos todo encaixa á perfección nesta obra chamada a ser unha das mellores publicacións deste ano. |
NOS_55813 | [ACTUALIZADA 12:05] O comboio, operado pola compañía lusa CP, saíu da vía pouco antes de entrar na estación ferroviaria. Unha das persoas falecidas sería o maquinista. | Ao menos 4 persoas falecidas, unha delas o maquinista, e 49 feridas no descarrilamento dun tren en Porriño, un suceso que tivo lugar sobre as 9:30 horas desta sexta feira. O sinistro aconteceu pouco antes da entrada da estación desta localidade, procedente de Vigo. Varias testemuñas apontan que o tren, que realiza o traxecto entre Vigo e Porto,e no que viaxaban 73 pasaxeiros, comezou a descarrilar ao achegarse á estación por causas que todavía se descoñecen e colisionou contra un poste situado perto da ponte da N-120, na altura das Angustias. Até o lugar desprazáronse patrullas policiais e dotacións de Emerxencias. Informacións sinalan que habería pasaxeiros atrapados dentro dalgúns vagóns e que foron excarcerados. ADIF establece un teléfono de atención para familiares: 900 10 10 20 "O tren ía rápido. Notamos un freazo" Unha das pasaxeiras do comboio sinistrado, Carme, que viaxaba no último vagón, confesaba na Radio Galega que "o tren ía rápido e notamos un freazo". A rapaza explicou que "saímos axiña fóra do vagón e vimos xente ensanguentada". O tren estaría operado `por CP, Comboios Portugueses, a compañía ferroviaria lusa. O xornal Público.pt afirma que a composición era "uma automotora espanhola da série 592, vulgarmente conhecida em Espanha por "camellos", que estava alugada à CP". ADIF, o xestor de infraestruturas ferroviarias, anunciou que ía abrir unha investigación para intentar determinar as causas do sinistro. As organizacións que concorren ás eleccións galegas decidiron suspender os seus actos de campaña para esta sexta feira, 9 de setembro, en sinal de dó. O accidente obriga interromper o tráfico ferroviario entre as estacións de Louredo-Valos e O Porriño. En ampliación. Imaxes: Cristina López e GxD |
PRAZA_11508 | Esta é a minha centésima página em Praça Pública, essa comunidade digital aberta, sem mensagem incorporada nem mais norma que um mínimo respeito entre os interlocutores, ou mesmo sem ele caso o discrepante sofra de ataque passageiro de auto-suficiência ou notoriedade, que de todo há de haver. | Esta é a minha centésima página em Praça Pública, essa comunidade digital aberta, sem mensagem incorporada nem mais norma que um mínimo respeito entre os interlocutores, ou mesmo sem ele caso o discrepante sofra de ataque passageiro de auto-suficiência ou notoriedade, que de todo há de haver.Esta é a minha centésima página em Praça PúblicaO interveniente em Praça renuncia ao indulgente asilo de um blogue persoal por gosto do juízo casual, concordante ou discordante, e pola crónica fugaz, essência do jornalismo. Praça é umha ágora de tempero galeguista e integrador desde 2012, apta para o troco de ideias em convocatória aberta. Aquele ano em que Rajoy alcançava o poder a cavalo da crise e aplicava a receita amarga da reforma laboral, o mesmo ano em que o rei folgava em Botsuana e Artur Mas fracassava no intento de alcançar a maioria absoluta, que lhe foi negada, para abordar um processo de independência que afinal seguiu rolando até o dia de hoje a impulso de magia telúrica e o agravo ancestral.Centésima Página é também umha encantadora livraria de Braga que eu gostava de frequentar quando as pernas ainda tinham conta de mim. Estoutra centésima página ocupa o baixo de um formoso edifício bracarense do século XVIII conhecido por casa Rolaõ (1758-1761), lá em plena Avenida Central da cidade, quase ao pé do Convento dos Congregados. Umha encantadora livraria, multiplicada em inesperados recantos e rematada ao fundo por um pequeno jardim e exíguo refeitório onde petiscar ou tomar um copo enquanto folheamos o livro eleito ou em processo de exame.A casa Rolão tem esse inequívoco ar do barroco português que eu qualificaria mais bem de rococó; tam próximo aliás do austríaco, povo amante também, como o português, da pastelaria repenicada e coincidente ainda em presumirem ambos de ter sido governados nalgum momento por todo um senhor imperador. Volvendo ao rococó, lembro ter visto em guias portuguesas qualificarem um estilo similar de rocaille, palavra francesa, alusiva ao ornato grotesco, com rochas caprichosas, conchas ornamentais e animália fantástica por vezes. Um sentido da teatralidade muito afastado da severidade da estética castelhana. O mestre Unamuno nom era muito partidário dessas excentricidades portuguesas e nom vou ser eu quem lhe leve a contrária. O barroco compostelano já é outra cousa.Cem artigos nascidos de um berço comum de leituras metabolizadas, releituras prazenteiras, ou da pura evocaçomCem artigos nascidos de um berço comum de leituras metabolizadas, releituras prazenteiras, ou da pura evocaçom. Quando um frequenta umha praça pública parece aconselhável nom extra limitar-se em reiterar manias persoais e limitar-se mais bem aos limites que impom a conversa tolerante de cunho británico, embora os ingleses, excêntricos impenitentes, tenham inventado o famoso Speakers' Corner para esbardalhar sem tino nem mesura sem se importar ninguém. Algo disso deveria ter também umha praça de livre acesso e para isso serve o comentário, identificado ou com disfarce pudoroso.A única ordenança em vigor que pretendo respeitar na praça pública que frequento desde 2012 é a de evitar a pregaçom maçante, prática, aliás, sem muita audiência nos tempos de descrença que correm. Um cento de artigos é um número grave se bem se mira. Por centos contamos os anos e por centos contavam-se as sardinhas antes de estas se converterem em alimento escasso de ignota procedência e venda por unidades.Somos umha naçom cultural, disso nom há dúvida, e é por isso que o labirinto da identidade galega, a começar pola língua que nos identifica, inspirasse umha mancheia de artigos a começar polo primeiro que viu a luz: Aonde chega o fume da casa? Um refrão sapiencial dos velhos de algum dia inspirou este primeiro percurso na Praça: Aonde chega o fume da casa é sempre terra de primeira. O fume da nossa casa, de emigrantes destemidos, sonhadores mais tarde numha Galiza emancipada, tem na actualidade limites dilatados, os do idioma onde aprendemos a dizer "eu" e "nós".Na verdade, nom andamos sobrados de mitos fundacionaisHá quem arrenegue de metáforas identitárias e vindique a disciplina do discurso político nítido e concreto, desinfectado de estéreis vaguidades comemorativas. Persoalmente nom podo concordar, acho que nom é preciso renegarmos da Alba de Glória para vindicarmos o Sempre em Galiza é que a severidade do logos bem pode conviver com a fantasia do mithos. É questom de equilíbrio.Na verdade, nom andamos sobrados de mitos fundacionais. Catalunha é um assombroso caso de identidade nacional, elaborada com esmero e proclamada com fervor; o Onze de Setembro de 1714, símbolo de resistência e renascimento, é um mito mobilizador. As vozes ancestrais som, em essência, um sortilégio tribal para abalar um presente detestável, na medida em que acreditemos nele. O certo é que os galegos, somos parcos em mitos e cerimónias cívicas, em datas patrióticas e lugares de memória. Será cousa talvez do tempero céptico com que a história nos leccionou.E contodo, nom faltam datas cívicas adormecidas em espera do afloramento. Em 25 de maio de 1891, um clamor cívico e popular, que ecoou de Cuba a Compostela, trouxe a Bonaval os restos quase esquecidos de Rosalia. A pergunta é, nom mereceria essa data memorável a honra da evocaçom renovada? Rosalia é o primeiro mito nacional galego, acolhedor, matriarcal e indelével. Porquê nom revive-lo cada ano, em chave matriática e feminista, com umha velada poética em Bonaval a maneira de prólogo íntimo à vozearia patriótica do 25 de julho?Em 25 de maio de 1891, um clamor cívico e popular, que ecoou de Cuba a Compostela, trouxe a Bonaval os restos quase esquecidos de Rosalia. A pergunta é, nom mereceria essa data memorável a honra da evocaçom renovada?Mas, temos antes um vazio a encher mais premente ainda: como celebrar a despedida de um prócer cívico, de umha amizade singular, quando a morte decreta o ponto final inevitável? A despedida espida, respeitosa e íntima, ao pé do sepulcro acolhedor de Boisaca, do Santo Amaro de Corunha ou Pontevedra, de Pereiró, nom demanda às vezes um rito evocador da memória compartida?Observamos com inveja o talento catalám para dignificar actos de memória cívica. Admiramos a potência taumatúrgica da música para suscitar a comunhom comovida. Os cataláns elegérom para os actos de despedida El cant dels ocells, essa belíssima cançom popular de Natal vertida a nobre romança para violoncelo por Pau Casals. Canto fúnebre para despedir ou comemorar a grandeza extinta. Algo mais que o ramilhete de rosas ou camélias ofertadas ao que nunca mais vai voltar. Música e poema entranhados no património cultural comum; único presente digno para umha despedida definitiva ou umha comemoraçom.A cultura comum dos galegos pode ser parca em épica mas é pródiga em poesia e música comovente. A inspiraçom prodigiosa de Joám Montes conseguiu fundir no crisol da perfeita beleza um alalá ventureiro apanhado na Cruz do Íncio com o poema mais comovedor da Cantora: a Negra Sombra. Umha versom para violoncelo da pungente salmodia de Montes bem poderia converter-se em hino de despedida colectivo na galaica naçom. Música e poema fundidos, como prelúdio ao ingresso do finado inesquecível no cortejo incessante da Alba de Glória da Galiza redimida. Porquê nom converter a amada salmodia da saudade mais pungente em apaziguador hino de despedida? |
NOS_30399 | Neste 2020 fanse 30 anos do nacemento de 'Egunkaria', primeira cabeceira xornalística escrita netamente en euskera, da que tomaría o relevo en 2003 'Berria' tras a ilegalización da primeira pola Audiencia Nacional española. Falamos con Martxelo Otamendi, o seu director, de tres décadas de xornalismo e lingua. | Cales foron as razóns que levaron a montar hai 30 anos Egunkaria e, despois, Berria? Cando, no ano 90, se funda o diario, a televisión e a radio pública en euskera levaban funcionando anos. Entendiamos que á mesa da comunicación lle faltaba unha pata, que era o diario. Tiñamos semanarios, pero había que completar esa mesa. Este país e este idioma precisaban un diario en euskera que informase do que acontecía no País Vasco e no mundo en euskera, algo tan sinxelo como ocorre con tantos outros idiomas do mundo. A mesma razón, estou seguro, que levou a crear Nós Diario. Seguen vixentes aqueles motivos, pasados 30 anos? Están máis vixentes que nunca. Agora hai unha proliferación de plataformas de comunicación que antes non existía. Cando se funda ETB, había só TVE e TVE2. De tres canles unha era a vasca. Agora tes multitude delas, a competencia é moito maior e, polo tanto, son moitos máis os motivos para reforzar os medios nas linguas propias. O mesmo pasa coa televisión. Hai mil plataformas para informarte, para pasar o tempo, máis nin son en galego nin en euskera nin en catalán, senón en español. A necesidade de ter medios e plataformas en lingua propia segue vixente. Pero é que, ademais, cando cambias de idioma, cambias de país. Vós, á selección española non lle chamades "a nosa selección", mais se cambias ao castelán moita xente dirá "nuestra selección". Pois nós aconstumamos aos nosos lectores a ler que no noso periódico Bill Clinton "vai" a Madrid. Non "vén" a Madrid. Se viaxase a Bilbao viría e non iría. Hai mil plataformas para informarte, para pasar o tempo, máis nin son en galego nin en euskera nin en catalán, senón en español. A necesidade de ter medios e plataformas en lingua propia segue vixente Diso quería preguntarlle. Cal é a relación da información dun medio coa lingua que emprega? Unha lingua é vehículo de comunicación, pero despois a comunicación tamén fai que unha lingua se exprese dunha determinada maneira. Aínda que tamén é verdade que podería haber quen editase un periódico en euskera, non nós, para o que "a nosa selección" fose a española. Hoxe non sucede porque habitualmente quen traballa en linguas minorizadas ten unha concepción nacional desa nación minorizada. Mais algún día podería suceder, se tivesemos 100% de vascofalantes no país, que existisen diarios en lingua vasca cunha tendencia cara a España e que con absoluta normalidade publicasen que "Clinton vén a Madrid" ou que falase do "noso rei". Esa limitación da poboación euskaldun é unha barreira para un medio como o seu. Claro, é como vender táboas de esquí en Túnez. Cando tes unha porcentaxe de 30%, 35% ou 40% de xente que di saber euskera ben –despois a lectura e escritura é algo máis complicada–, sabes que tes esa dificultade engadida. Somos consicentes da limitación, pero tamén sabemos onde estamos e que só a base de facer produtos deste tipo imos conseguir que a xente se conciencie cada vez máis da necesidade do desenvolvemento dunha lingua e dun país, dunha nación, a través do coñecemento do idioma. Canto máis desenvolvemento lingüístico hai maior é a conciencia nacional. Nestas tres décadas, cambiou moito o medio? Cambian os soportes, pero basicamente seguimos facendo o mesmo. Tamén cambiou a velocidade. Agora todo vai moito máis rápido pola cuestión das redes e a edición continua. Mais a cuestión segue a ser pór o euskera á par do resto de medios. Poder ofrecer aos teus lectores e lectoras unha información, da pandemia, das eleccións en USA, dos xogos olímpicos... sen ter que cambiar de idioma, porque igual cambias de país. Esa é a nosa pelexa de todos os días. Que retos se propón para o tempo que vén por diante?Nós non podemos aprenderlle euskera á xente, de maneira que alguén alleo ao diario ten que facelo; conseguir que ese 35% suba até 100% e a unha velocidade superior á que imos agora. Porque temos un desenvolvemento cualitativo moi importante: o euskera hoxe ten acceso a ámbitos onde nunca estivera, como a ciencia, a investigación, a enxeñaría ou a arquitectura. Mais cuantitativamente imos moi lentos. Se conseguimos que se acelere esa recuperación lingüística, subir o número de lectores e de falantes, teremos un campo moito máis amplo no que traballar. Isto é un reto xeral para todas as linguas minorizadas, e despois está o reto de todos os medios de comunicación, porque non sabemos que vai pasar, cal vai ser a seguinte tendencia. Temos unha incógnita: descoñecemos como imos estar en 15 días ou en dous anos, pero mentres poidamos seguiremos dándolle ao pedal. Cal sería, para vostede, o obxectivo? Non sei se temos un obxectivo ou o que temos é unha vida. Nela imos vivindo e imos traballando: se agora o innovador é facer unhas gráficas e actualizar todos os días con datos da Covid-19, farémolo. O reto é, entón, estarmos moi expectantes aos cambios, non facer grandes aventuras, manter a xente convencida do que fai e, de cando en vez, facer probas. E mirar o que fan os medios que son referente e ir detrás deles sen complexos. E a ver, tamén, se entre todos conseguimos que haxa un maior desenvolvemento lingüístico. "Só con xente desta pasta podes retar a Audiencia Nacional" Otamendi lembra o "golpe" que foi a ilegalización de Egunkaria pola Audiencia Nacional española en 2003. "Supuxo un ataque á liberdade de expresión e de información, ao dereito das lectoras e dos lectores de ter un arco da vella informativo, puntos de vista diversos, e supuxo 150 traballadores na rúa, 10 directivos detidos con acusacións gravísimas como pertenza a ETA ou mesmo á súa dirección, cinco días de incomunicación, e tres días de torturas para seis de nós (todos sairían absoltos)", advirte. "O que non lograron –observa– foi deixar o euskera sen xornal nin un só día". "Estando nós detidos, os nosos xornalistas estaban xa facendo un diario, aquela mesma tarde. Iso amosa a pasta da que está feita a xente que traballa en medios en linguas minorizadas. Só con xente así podes retar a Audiencia Nacional", incide. |
PRAZA_11595 | Extel botou tres persoas na Coruña a pasada semana aludindo ao artigo 52 do Estatuto dos Traballadores que permite despedir por baixas aínda que estean xustificadas. Representantes do persoal advirten dunha "estratexia" para "adelgazar" o cadro de persoal a través da posibilidade que facilitou o aval do Constitucional. | O aval do Tribunal Constitucional ao despedimento obxectivo por faltar un número determinado de días ao traballo, aínda que sexa por unha enfermidade e de forma xustificada, cébase xa cos sectores máis precarizados, como o do telemárketing en Galicia. A empresa Extel, subcontrata de Movistar e pertencente ao grupo Adecco, tirou desta posibilidade agora lexitimada pola Xustiza para despedir de vez tres persoas na Coruña a pasada semana. A decisión, que representantes dos traballadores consideran a primeira dunha vaga progresiva, é vista tamén como unha "estratexia" empregada pola compañía para prescindir de persoal "sen necesidade de ERE e maior conflito". Extel botou tres persoas na Coruña a pasada semana aludindo ao artigo 52 do Estatuto dos Traballadores que permite despedir por baixas aínda que estean xustificadasHai tan só unhas semanas, o Constitucional avalou o despedimento por causas obxectivas en 2016 dunha traballadora dunha empresa que alegou que se ausentara nove días dos corenta hábiles en dous meses consecutivos, máis do 22% das xornadas. Malia ser ausencias xustificadas, agás unha, mediante baixas por incapacidade temporal, o alto tribunal deulle a razón. Aludiu a compañía ao artigo 52 do Estatuto dos Traballadores, introducido coa reforma laboral de 2012. Nel sinálase que son causa de despido obxectivo "as faltas de asistencia ao traballo, aínda xustificados pero intermintentes, que alcancen o 20% das xornadas hábiles en dous meses consecutivos sempre que o total de flatas de asistencia nos doce meses anteriores alcance o 5% das xornadas hábiles ou o 25% en catro meses discontinuos dentro dun período de doce meses". Agora, este mesmo artigo foi empregado por Extel. CGT, sindicato maioritario nunha empresa cuns 700 traballadores na Coruña, para xustificar os despedimentos de tres persoas que "seguramente non serán os últimos". "A compañía di que ten a lei da súa man e sabemos cales son as súas intencións", di Adrián García, delegado do sindicato. Non é o primeiro caso. No mesmo sector, a empresa Konecta, con sede en Bergondo, despediu no pasado mes de outubro un delegado sindical de CCOO "por poñerse enfermo", tal e como denunciou o sindicato, logo de aplicar o mesmo artigo 52 malia estaren as baixas xustificadas. "Unha mostra máis do grao de deshumanización ao que nos ten acostumados esta firma", denunciara Comisións. Agora, segundo denuncia a CGT, Extel ve no aval do Constitucional a porta aberta para "adelgazar o cadro de persoal de maneira máis barata, sen necesidade de facer un ERE e con moito menos conflito". Ademais, culpan a Movistar de ser cómplice dunha estratexia "orquestrada" da que esperan un goteo de despedimentos. Así, a representación do persoal convocou xa unha folga de 24 horas o vindeiro 9 de decembro, que inclúe unha concentración ás 12 da mañá. Aseguran que a intención da empresa vén de lonxe e lembran que o pasado 25 de novembro, días antes dos tres despedimentos, a dirección de Extel comunicou de maneira unilateral "un cambio radical" nos criterios establecidos para as ausencias por causas de saúde. Representantes do persoal advirten dunha "estratexia" de Extel para "adelgazar" o cadro de persoal a través da posibilidade que facilitou o aval do ConstitucionalDurante 20 anos, o persoal podía xustificar a súa ausencia cun xustificante médico ou parte de repouso. Agora, a empresa obriga a solicitar unha baixa médica, aínda que sexa de un só día. A mesma medida intentou aplicala hai un ano, pero a CGT presentou un conflito colectivo que fixo recuar a decisión logo dun acordo no servizo de mediación (SMAC). A ese mesmo servizo acudirá agora o sindicato o vindeiro 16 de decembro, cando tamén hai convocada unha mobilización e un paro de catro horas. "Xa tiñamos advertido de que este cambio de criterio obedecía a unha estratexia entre Movistar e Extel para despedirnos por ter caído enfermas. A sospeita virou en realidade cando se empezaron a comunicar despidos por este motivo o pasado venres", di CGT, que leva a cabo unha campaña de denuncia nas redes baixo o cancelo #ProhibidoEnfermar. CGT convoca mobilizacións e unha folga de 24 horas para o día 9 de decembro e leva a cabo unha campaña (#ProhibidoEnfermar) contra Movistar e ExtelO sindicato, ademais, advirte de que a empresa non só esixirá a baixa para calquera ausencia, senón que ameazou con pedir o nome do médico de cada un dos traballadores que poñan algún atranco á medida. Adrián García, delegado de CGT, alerta tamén dos "problemas de saúde persoal e laboral" pola posibilidade de que moitas persoas acudan a traballar con algunha doenza ante o temor a poder ser despedidos ou a ver como se lle reduce o salario cada vez que ten que ausentarse, aínda que sexa un día, do posto. "Traballamos ata 80 persoas nunha mesma sala", advirte sobre a situación dun persoal na súa maioría a tempo parcial e con soldos que roldan os 700 euros mensuais. A situación é outro golpe máis na precarización do sector do telemárketing. O persoal de Extel xa viu no pasado verán como a empresa recortou drasticamente os complementos salariais mentres Movistar subía as tarifas logo de aplicar un ERE ha tres anos. En Ourense, no pasado mes de novembro, Naturgy decidía deslocalizar o servizo de atención telefónica que tiña en Galicia, afectando novamente un sector, o de telemárketing, que conta con máis de 8.000 traballadores e traballadoras no país e uns 80.000 no conxunto do Estado. |
NOS_50781 | Quim Torra desobedeceu a orde da Xunta Electoral Central (XEC) ao non retirar a pancarta de apoio ás e aos presos do procès. Porén, diversas xuristas cuestionan que se producise un delito de desobediencia. | O president de Catalunya, Quim Torra, desobedeceu a orde da Xunta Electoral Central (XEC) en campaña electoral ao negarse a retirar a pancarta de apoio ás e aos presos do procès que penduraba do balcón do Palau da Generalitat, motivo polo que o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSXC) xulgouno en novembro por un delito de desobediencia, condenándoo a inhabilitación, resolución que o president recorreu ao Tribunal Supremo (TS) que, na segunda feira, 28 de setembrio, resolveu na súa contra. Pero houbo delito? Hai que ter en conta que a XEC é un órgano administrativo e non xurisdicional e que forma parte da Administración electoral e non do poder xudicial. A XEC, tal e como analizaba onte o catedrático de Dereito Constitucional Javier Pérez Royo, non dita sentenzas, senón actos administrativos, e para que o delito de desobediencia se poida producir a respecto dunha orde administrativa e non xudicial, é preciso que exista relación xerárquica entre quen dita a orde e o destinatario que a debe executar. Porén, a orde a Quim Torra procedeu directamente da Xunta Electoral sen resolución xudicial de por medio. Nese sentido, tal e como sinala a Nós Diario a catedrática de Dereito da USC Alba Nogueira, o argumento presentado pola defensa de Torra é precisamente que, ao se tratar dun proceso electoral estatal e Torra non ser candidato, o mandatario catalán non era nin entidade nin Administración implicada. Con isto a defensa discutiu ese vínculo de superioridade da XEC como órgano, cuestión que a sentenza resolve en apenas unha páxina aseverando simplemente que é a entidade máxima de vixilancia dos procesos electorais. Ao fío de todo isto, para Nogueira hai catro cuestións cruciais: é a XEC órgano superior xerárquico ou non? Estaba Torra implicado no proceso electoral e por tanto tiña que cumprir as ordes da XEC e, ao non facelo, houbo delito desobediencia? Para que haxa desobediencia debe haber un mandato concreto vía xudicial ou chega coa resolución administrativa da XEC? E mais unha última cuestión: É proporcionada a sanción? A catedrática resalta ademais o rocambolesco de derivar esta cuestión no ámbito penal, cando o habitual é que cuestións relativas ao electoral pasen sen castigo, e só algunhas veces con sanción económica, como lle pasou a Pedro Sánchez ao empregar a Moncloa como escenario de propaganda electoral. "A Administración pública catalá é autónoma e non depende da XEC que, por certo, é un órgano administrativo e só existe temporalmente", salienta a Nós Diario o profesor de Dereito procesual na UDC, David Soto. "É certo que na XEC hai maxistrados do Supremo, pero tamén funcionariado e profesorado elixido polos partidos e que non pertencen á xudicatura", engade David Soto. O Constitucional e a UE A defensa de Torra pediu a suspensión cautelar da inhabilitación ante o Tribunal Constitucional (TC). Está previsto que sexa na próxima terza, 6 de outubro, cando o TC aborde este recurso de amparo. "Non ten percorrido", adianta Alba Nogueira, asegurando que o TC "está a actuar en todo momento como garante da unidade de España". A catedrática apunta que a defensa debe ter a vista xa posta en Europa, tal e como anunciou Torra, e recorrer ao TC é paso obrigado para poder acudir ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. Aragonès (ERC) asume funcións limitadas de Presidencia Junts e Esquerra asinaron un documento que estabelece e reforza as funcións de cada membro do Govern ante a ausencia de Torra. O número dous da Generalitat, Pere Aragonès (ERC), asume "interinamente funcións limitadas de Presidencia". Ambas as forzas acordaron encargar un plan para a realización de eleccións en "condicións sanitarias seguras". Junts quere que os comicios sexan un plebiscito e ERC ten como obxectivo que o soberanismo supere 50% de apoio nas urnas. |
NOS_55977 | A terceira vaga da Covid-19 multiplicou o número de contaxios en poucos días. As necesidades de rastrexo incrementáronse e a empresa responsábel do servizo acelerou a busca de operadores. Aspirantes a contratos eventuais de tres semanas denuncian as condicións de acceso: precarias e sen formación suficiente. | Un ano despois da declaración da pandemia, o rastrexo de contactos segue a ser unha peza chave para o control do coronavirus e a ruptura das cadeas de transmisión da doenza. Coa explosión da terceira vaga de contaxios, após as festas de Nadal, a localización de persoas que mantiveron un contacto estreito cun caso positivo reivindicouse, de novo, como un labor fundamental para tratar de frear o avance da infección. Mais tamén volveu pór en evidencia as eivas dun sistema discutido desde a súa posta en marcha. O CSC, baixo segredo A opacidade marcou desde a súa orixe a creación do Centro de Seguimento de Contactos (CSC) que o Goberno galego anunciou no mes de maio "cun equipo inicial de 20 operadores" e o compromiso de amplialo até os 50. Apenas mes e medio despois, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou que máis de 6.000 persoas realizaban tarefas de control dos contactos de casos confirmados. Unha cifra que rebaixou até os 700 no mes de novembro, en resposta a preguntas da oposición; 700 entre persoal dos servizos de Medicina Preventiva, Primaria, Xefaturas Territoriais, do CSC mais dos corpos militares. Malia todas as reservas da Administración galega, sempre remisa a dar o nome da entidade responsábel da plataforma tecnolóxica encargada do rastrexo e a súa composición, entón xa era sabido que o Grupo Konecta operaba para o Sergas desde as súas instalacións en Bergondo a través dunha empresa de telemárketing. O primeiro servizo que asumiu foi a xestión do teléfono 900400116 de información sobre a Covid-19 habilitado pola Xunta da Galiza e, pouco despois, os servizos de seguimento e control das persoas que tivesen contacto cun positivo por coronavirus.Caos e máis críticas O labor de rastrexo acusou desde o primeiro día a falta de transparencia, á que axiña se sumaron as críticas de persoas usuarias mais de profesionais sanitarios: caos, esperas, ausencia de resposta, falta de axilidade, descoordinación, escaseza de recursos. Marta (nome ficticio) incorporouse como rastrexadora ao CSC no mes de outubro despois dun período de formación de dúas semanas nas que ademais de familiarizarse cos protocolos sanitarios do Sergas tamén aprendeu o manexo do programa de seguimento e practicou distintos supostos para chegar a atender as dúbidas e consultas das persoas afectadas polo coronavirus. Chamadas moi serias Non conta con titulación sanitaria mais tampouco a bota en falta para atender un labor que considera "moi serio" e que non se pode afrontar "da noite para a mañá", sen saber como resolver moitas das preguntas que poden facer. "Temos chamadas moi serias, de xente con problemas reais, con familiares en UCI. Tes que coñecer moi ben os protocolos. Non é chegar e encher. Non podes dubidar", declara a Nós Diario. "Eu sei de xente que rexeitou o traballo, chorando, porque non se vía preparada para asumir certas situacións que se dan ao teléfono", incide. Marta accedeu ao CSC ás portas da segunda vaga de contaxio. Nos inicios da terceira, en xaneiro, chegoulle a oportunidade a Mónica (nome ficticio). "Souben da oferta por un amigo. Enviei o currículo unha mañá e á tarde xa me chamaron. Citáronme a primeira hora do día seguinte para unha sesión de formación de cinco horas e comezar xa a traballar". Acudiu a unha formación acelerada de cinco horas no polígono de Bergondo. "Mentres nos explicaban como íamos ter que proceder, sen tempo para asimilar nada, xa nos fixeron chegar por email os horarios que entraban en vigor ao ía seguinte. Mais ninguén nos falara aínda das condicións de traballo". Frustración Nas mesmas datas, Sofía (nome ficticio) viviu unha experiencia similar. Unha convocatoria urxente e unha formación apresurada para comezar de inmediato. "Todo era vago e impreciso. Moi confuso. Pareceume surrealista", comenta. "Non era forma de proceder nin de asegurar o funcionamento dunha tarefa tan importante", na que entra en xogo a saúde das persoas, o control dunha pandemia e "a protección de datos", engade. Desde o primeiro momento soubo que aquilo non era para ela. Tampouco para Mónica, que despois de exixir máis información e pedir ver de perto o traballo das teleoperadoras, rexeitou un contrato de tres semanas. "Eventual e precario, de 39 horas semanais, lonxe dos 1.000 euros, sen extras remuneradas e fins de semanas alternas", explica. Ambas as dúas confesan frustración e denuncian o uso dunha situación de emerxencia para se aproveitar, tamén, das persoas desempregadas e das súas necesidades económicas. "Non todo vale. E menos que se dediquen a sacar cartos dun problema", di Sofía. "Levamos así toda a campaña da Covid" "A terceira vaga obrigou a meter moita xente moi á présa", afirma a Nós Diario Carlos Parrondo, delegado da CIG de Konecta en Bergondo. Deuse unha contratación moi alta en condicións moi precarias, advirte, con contratos de 10 ou 15 días en fraude de lei. "Co mes de decembro comezou unha contratación masiva", engade a delegada de CCOO, Pilar Pérez Blanco. "Chegamos a ser sobre 500 persoas entre rastrexadores e liña 900. As contratacións fixéronse dun día para outro. En cuestións de horas puñan a xente a traballar. Pero a campaña da Covid leva un ano e foi así desde un principio. Só que a urxencia declarada coa terceira onda acelerouno todo". O proceso orixinou certos desaxustes que os propios compañeiros resolveron ante a falta de persoal de apoio e, con protocolos novos cada semana, afirma. "Houbo momentos de caos" agravados pola calidade da contratación, di. "Con contratos eventuais por circunstancias de produción cando o que debían ser por obra, segundo convenio. E con despidos fóra da lei por non superar o período de probas, en función das necesidades. Un despropósito". |
PRAZA_13091 | Teño un amigo que é un heroi, e creo que moitos á súa volta non o saben. Porque os herois existen, aínda que habitualmente pensemos que son sempre personaxes de ficción. Ten este amigo meu un traballo común, unha familia correcta, unha filla riquiña. É, en aparencia, un veciño calquera, mais ten un pasado que moi pouca xente podería asinar. | Teño un amigo que é un heroi, e creo que moitos á súa volta non o saben. Porque os herois existen, aínda que habitualmente pensemos que son sempre personaxes de ficción. Ten este amigo meu un traballo común, unha familia correcta, unha filla riquiña. É, en aparencia, un veciño calquera, mais ten un pasado que moi pouca xente podería asinar. Naceu nunha das grandes cidades galegas e, como tantos nos bairros marxinais, acabou por caer na silveira da droga Naceu nunha das grandes cidades galegas e, como tantos nos bairros marxinais, acabou por caer na silveira da droga. Como o espírito do rapaz era forte e a súa enerxía abundante, acelerou sen mirar atrás pola costa abaixo da delincuencia. Precisaba moita velocidade para non ter necesidade de fixarse na vida que abandonaba a cada lado, dos tesouros que o ceo lle outorgaba sen que puidese deterse para apañalos. Así o camiño difícil da marxinación se anda, e con estraña facilidade renunciamos a custodiar a verdadeira semente do noso destino. Sen decatarse adormeceu no colo da heroína, e pouco máis tarde a súa man sostiña unha pistola nas noites do lumpen portuario. "Atracar un camello pode dar 500.000 pesetas, mais hai que ter coidado cun botín como ese, as consecuencias son terríbeis". Con dezaoito anos ingresaba na cadea xunto co seu compañeiro de malfeitorías. Despois de ter acabado varias veces inconsciente na rúa, mesmo de ter entrado "en coma" no hospital, seus pais despedíanse del co corazón esmagado. Despois de seis anos de terapia escravizante precisaba tomar as rédeas dunha nova vida, e decidiu abandonar o consumo totalmente No entanto, o tempo pasou e outras batallas chegaron, porque o seu espírito era forte, como xa vos dixen. Primeiro, debía deixar o cabalo, e a terapia consistía no consumo "terapéutico" de metadona. Despois de seis anos de terapia escravizante precisaba tomar as rédeas dunha nova vida, e decidiu abandonar o consumo totalmente. Desaconsellado polos médicos e polos seus preocupados pais, marcha para a aldea e padece a abstinencia en solitario. Ten peor cara que nunca, e por iso aínda pensa o persoal que voltou aos malos pasos, en lugar de comprender o peso dun calvario real. Paixón, calvario, expiación do pecado, palabras que os cristiáns temos ouvido sen pensar que toda a literatura ten o seu fundamento na crua realidade. Así o meu amigo resolveu enfrontarse ao máis grande dragón que podo imaxinar, e así, mercé a un espírito heroico, foi capaz de vencelo. Lembro agora proezas míticas como a dun Ulises loitando durante dez anos por voltar a Ítaca e soportando as trapazas permanentes de Poseidón, ou as de Hércules vencendo a hidra de Lerna e disque outras once fazañas máis, ou as de Aquiles... Aquiles? Non, Aquiles non está á altura desta historia, porque se o grego posuía un corpo inmortal salvo polo talón, o heroi galego era vulnerábel por todas partes salvo por un espírito digno de fama e loureiro. É o que ten ser fillo da clase obreira, en lugar de pertencer á aristocracia grega. Hoxe o meu amigo ten que mudar de morada e marchar a millares de quilómetros da terra, debido ao efecto da crise sobre a cadea comercial en que traballa Hoxe o meu amigo ten que mudar de morada e marchar a millares de quilómetros da terra, debido ao efecto da crise sobre a cadea comercial en que traballa. Ten vontade de deixar de fumar, a pesar de que o médico non llo recomenda neste momento. Debe pensar o facultativo que o tabaco é un inimigo demasiado grande para el. |
NOS_15231 | A CIG-Ensino traslada á Consellaría de Educación a petición dun protocolo educativo que tome como referencia o traballo realizado no partido xudicial compostelán sobre a investigación e tratamento dos delitos de índole sexual e a publicación da Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo elaborada pola propia Xunta o ano pasado. | Que os colexios e institutos son e poderían ser "fonte de detección" de delitos de carácter sexual en menores de idade é unha das premisas que sustancian unha parte do protocolo do partido xudicial de Santiago de Compostela sobre este tipo de delitos. Trátase dun documento amplo dirixido a mellorar a eficacia da investigación da criminalidade sexual e reducir a vitimización que soportan as persoas que sufriron un ataque deste tipo no proceso policial e xudicial, e que tamén incorpora pautas sobre como actuar no ámbito do ensino ante a sospeita dun caso deste tipo. O protocolo, en cuxa elaboración participaron institucións como a Secretaría Xeral de Igualdade, a Consellaría de Política Social, o Imelga, o Sergas ou a Fiscalía, nun grupo de traballo dirixido pola maxistrada Ana López-Suevos, e que xa foi ratificado polos concellos do partido xudicial onde prevé aplicarse e boa parte das entidades implicadas, é, para o sindicato CIG-Ensino a referencia que a Xunta debería empregar na elaboración dun protocolo sobre delitos sexuais para o ámbito educativo, hoxe inexistente. Así llo fixo chegar esta semana o seu secretario nacional, Suso Bermello, ao conselleiro de Educación, ao que o sindicato reclama a posta en marcha deste regulamento, así como a publicación da publique a Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo elaborada pola Xunta o ano pasado, para dotar os centros de ensino de ferramentas que eviten incorrer en irregularidades legais ou acrecentar a vitimización ou danos engadidos de quen está a padecer o delito. Pautas de actuación Como confirma a maxistrada López-Suevos, o protocolo creado para aplicar no partido xudicial compostelán –o primeiro no ámbito xudicial galego– dedica unha parte ao ámbito académico, así como no traballo social, en centros ocupacionais e noutros servizos dirixidos a menores ou persoas con discapacidade, para o que apunta os mecanismos de actuación ante a sospeita dun delito destas características que teña como vítima un alumno ou alumna. "O procedemento, realizado por especialistas en Psicoloxía Forense, axuda a non vitimizar nin destruír probas, que son dúas cuestións esenciais, expón a especialista en conversa con Nós Diario, e sinala que esas pautas de actuación poderían axudar a detectar moitos máis casos, "porque darían máis capacidade de percibir condutas demostrativas de que pode haber indicios de delito". Como apunta, o profesorado e os equipos dos centros descoñecen, en moitos casos, a que institución recorrer en situacións deste tipo ou cal debe ser o seu papel para recoller vestixios sen alterar as probas, porque ás veces "a mellor das vontades leva a actuar de forma nefasta" de cara á investigación. Pon un exemplo. "O habitual cando un alumno ou alumna relata, á súa maneira, unha agresión é que o docente avise á titor, á dirección, á orientación para que escoite o relato. O que ocorre é que desa maneira está vitimizando á persoa, que ten que relatar a experiencia unha e outra vez, e ademais está contaminando a proba, ao facer preguntas que poden suxerir datos ou cuestionar a credibilidade. Iso é o que non deben facer nunca, intentar obter o relato dos feitos máis alá do mínimo espontáneo", subliña. Por contra, o papel do equipo docente si é útil na detección de cambios de conduta e outros indicios que poden pór sobre a pista dun delito sexual. Reducir a "vitimización secundaria" no proceso O protocolo, concibido para aplicarse cada vez que se produza unha denuncia por delito sexual na área xudical compostelá, busca mellorar a investigación pero tamén minguar a "vitimización secundaria", que se deriva da propio proceso investigador. "Tenta reducir ao mínimo as declaracións no periplo policial-xudicial, mesmo eliminar a denuncia en comisaría, para que a vítima só teña que facer no xulgado o relato intenso, e", exemplifica a maxistrada López-Suevos, que menciona outros aspectos que o protocolo incorpora, como o acompañamento psicolóxico. "Porque as vítimas están tendo que ir soas a denunciar e a declarar", observa. |
NOS_30785 | Un dos maiores fenómenos da música brasileira recente, Tribalistas, anunciou onte por sorpresa e a través de Facebook que volven xuntarse. Que vai haber novo disco da suma de Marisa Monte, Arnaldo Antunes e Carlinhos Brown. E xa ceibaron catro pezas. | As súas músicas tiveron alcance mundial e medio planeta cantaruxaba aquilo de "eu sou de ninguem, eu sou de todo o mundo, e todo o mundo me quer bem" do tema 'Ja sei namorar'. Aquela xuntanza excepcional de tres grandes como Monte, Antunes e Brown xurdiu de casualidade logo de que Marisa fose colaborar no disco de Arnaldo do que Carlinhos era produtor. Alí saltou a chispa, que só deu como froito un disco homónimo publicado en 2002. Nunca se presentaron e nunca fixeron unha xira grande, pero venderon máis de dous millóns de discos en todo o mundo. O anuncio, emitido en directo a través do Facebook, vírono máis de cinco millóns de persoas de 52 países Desde aquela até agora só volveron manifestarse ao publicar un tema, 'Joga Arroz', en 2013 para apoiar o casamento entre persoas do mesmo sexo en Brasil. E onte, sen previo aviso, contaron en directo a través do Facebook (as roldas de prensa xa fican vellas) que van publicar a finais de novo álbum en formato dixital, e xa ceibaron catro dos temas que incluirá: "Diáspora", "Um só", "Fora da memória" e "Aliança", que poden verse tanto no seu Facebook, como no Youtube ou en plataformas musicais online como Spotify ou Deezer. Durante o anuncio, os tres músicos contaron o proceso que os trouxo até este punto e responderon ás preguntas dos fans. Antunes dixo que o novo álbum fora gravado coa mesma "espontaneidade" do primeiro, e tamén co mesmo equipo humano e técnico. Monte, pola súa banda, explicou que todo se teceu hai ano e medio e que se mantén o "espírito colectivo, o pracer de estarmos xuntos, o trazo autoral e o proceso inmersivo". A resposta dos e das ouvintes non se fixo agardar. Máis de cinco millóns de visionados en 52 países a través de Facebook e centos de milleiros de compartillamentos, ademais de seren xa os temas máis vendidos en iTunes Brasil. É o exitoso regreso dun trío que vale máis por xunto que a suma das partes. |
PRAZA_5693 | Os sindicatos acusan os responsables da Consellaría de Sanidade de "mentir" sobre as razóns polas que 1.200 camas quedará fóra de servizo este verán nos hospitais galegos. E lembran que os médicos, enfermeiros e celadores que enchen as listas de contratación "non van ter nin un só contrato neste ano" | Por que o SERGAS vai deixar fóra de servizo 1.200 camas nos hospitais galegos este verás, "o maior peche de camas da historia", como denuncian os sindicatos? Até hai uns días o Goberno galego sempre argumentara que esta "reorganización asistencial no período estival" se facía para "mellorar a eficiencia e a xestión dos recursos" e "obedece á racionalización dos recursos físicos e humanos". Unha xerga tecnocrática na que os sindicatos detectaban que se poñía o obxectivo do aforro por riba da calidade asistencial. Porén, este mércores o deputado popular Aurelio Núñez Centeno afirmou na Comisión Parlamentaria de Sanidade que o peche de máis de mil camas no verán se debía a un pacto cos sindicatos. Núñez Centeno responsabilizou da situación aos traballadores por ter un mes de vacacións, e aos sindicatos de asinar un acordo para que, a cambio dese mes de vacacións se levara a cabo o peche. "É absolutamente falso. Nunca existiu acordo algún deste tipo entre os sindicatos e o SERGAS", sinalou María Xosé Abuín (CIG-Saúde), o mesmo que Ángel Cameselle (CC.OO.) que tamén desementiu ese suposto pacto, "entre outras cousas porque a Consellaría despreza a negociación". "É responsabilidade da administración substituír a ese persoal polos compañeiros inscritos nas listaxes de contratación do SERGAS, para garantir o normal desenvolvemento da actividade" Uns e outros lembraron o dereito de todos os traballadores e traballadoras a dispoñer dun mes de vacacións e María Xosé Abuín sinalou que "só nos imos de vacacións o 25% de persoal cada mes, por iso non está xustificado ese peche de camas". Ademais, salientou que "é responsabilidade da administración substituír a ese persoal polos compañeiros/as –profesionais altamente cualificados para o desempeño da actividade normal- inscritos nas listaxes de contratación do SERGAS, para garantir o normal desenvolvemento da actividade e dar cobertura ás necesidades asistenciais". As listaxes de contratación, paradas En máis dunha ocasión os representantes dos profesionais da sanidade denunciaron que o SERGAS practicamente non estaba movendo as listas de contratación e de substitucións, e que cando se tiña que cubrir algunha baixa (por exemplo por vacacións) se recurría a dobrar as quendas de traballo do persoal. "Traballadores que no 2012 traballaban regularmente case todo o ano, neste ano aínda non o fixeron, e a dia de hoxe nin sequera lles ofertaron o bloque de vacacións", sinalaba o verán pasado María Xosé Abuín, e semella que a situación se vai repetir este ano. CIG-Saúde denuncia que os médicos, enfermeiros e celadores que enchen as listas de contratación "non van ter nin un só contrato neste ano" CIG-Saúde denuncia que os médicos, enfermeiros e celadores que enchen as listas de contratación "non van ter nin un só contrato neste ano". O número non é pequeno e supera as seis mil persoas nas listaxes de persoal de enfermaría, e achégase aos cinco mil traballadores e traballadoras na de celadores e celadoras. De igual, xeito, os datos oficiais, con data de decembro de 2013, do Plan de Ordenación de Recursos Humanos do SERGAS, apuntan a que hai ao redor de 600 médicos desempregados na lista de contratación, á espera de ser chamados para facer as substitucións necesarias de especialistas. Persoal máis que suficiente para non ter que recorrer ao peche de camas ante as vacacións dos traballadores e traballadoras dos hospitais galegos. Ao dato oficial de 38.106 persoas en lista de espera, as organizacións sindicais da sanidade engaden as cifras de persoas nas listas de espera non estrutural, que elevarían a cifra de doentes agardando por seren atendidos a 60 mil Os profesionais sanitarios, que levan semanas realizando accións de protesta a través de deitadas, lembraron así mesmo en varias ocasións que o verán podería ser un bo momento para solucionar "o problema gravísimo das listaxes de espera", que "require unha actuación en profundidade", segundo CC.OO. Ao dato oficial de 38.106 persoas en lista de espera, as organizacións sindicais da sanidade engaden as cifras de persoas nas listas de espera non estrutural, que elevarían a cifra de doentes agardando por seren atendidos a 60 mil. Centos destas persoas "levan máis de 5 anos esperando unha intervención cirúrxica", subliñan. CC.OO. propuxo que se aproveitase a época estival para tentar reducir estas cifras, "xa que a menor incidencia de doenzas respiratorias posibilita que servizos como as urxencias se vexan menos colapsados". "Deberían estar dispoñibles todas as camas, amais de abrir tanto pola mañá como pola tarde quirófanos e outras unidades (radioloxía, laboratorios ou consultas). E cumpriría contratar persoal para as quendas de tarde e tamén cubrir a totalidade das xubilacións", engadiron. A Deputación de Lugo pídelle á Xunta que "incremente a contratación de persoal para suplir os profesionais sanitarios na época estival" De igual xeito, o equipo de Goberno da Deputación de Lugo pronunciouse en contra do peche de camas anunciado pola Xunta, sinalando que o PP "volve a menosprezar a intelixencia dos cidadáns galegos, afirmando que o peche de camas e quirófanos non supón unha menor calidade asistencial". A moción proposta, que se debaterá no pleno do ente provincial, denuncia que "o peche desmesurado de camas esconde, baixo unha decisión aparentemente administrativa, unha volta de rosca máis do Partido Popular cara á desmantelamento da Sanidade Galega de carácter público". E, finalmente, insta o Goberno galego "volva a avaliar a necesidade de unidades, camas e persoal tendo en conta criterios asociados á época estival como é o aumento da poboación" e que "incremente a contratación de persoal para suplir os profesionais sanitarios na época estival". |
NOS_32942 | O festival "Ahoje é ahoje", que se celebra en Maputo, acolle unha homenaxe musical ao cantautor Fran Pérez Narf da man de Timbila Muzimba e no que participará Uxía | O Trato Avenida de Maputo, capital mozambicana, acolle este domingo un homenaxe ao falecido cantautor galego Fran Pérez "Narf". As conexións de Narf co país remóntanse a máis de dez anos de encontros co grupo local Timbila Muzimba. Xuntos crearon os espectáculos Bumba e De Zigala a Zemambiquo- De Galiza a Mozambique- nos que uniron os sons da guitarra eléctrica co chopi timbila, un instrumento tradicional mozambicano. O tributo enmárcase no festival "Ahoje é ahoje", organizado polo Teatro Avenida, Trigo Limpio Teatro ACERT de Tondela (Portugal) e a compañía Mutumbela Gogo. Un festival no que o propio Narf tomou parte non só no escenario, senón tamén na súa organización. A cantante Uxía participará na homenaxe ao seu compañeiro de melodías e escenarios. A lembranza a Narf e a súa música procura reforzar os lazos de irmandade que o músico galego cultivou durante anos coa banda Timbila Muzimba. Xunto a eles ofreceu o que foi o seu concerto despedida, nun Teatro Principal de Santiago cheo e un mes antes do seu pasamento en 2016. |
NOS_4303 | Román Rodríguez afirmou que "todos os anos adoita haber problemáticas concretas" nunha rede que dá servizo a 77.000 escolares. | O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, atribuíu os problemas derivados nalgunhas das liñas de transporte escolar ao "período de axuste" que, ao seu xuízo, implicou o proceso de renovación de 50% dos itinerarios acometido o pasado ano. Vaga de queixas pola supresión de rutas e a escaseza de servizos de autobús na Galiza Así respondeu a unha pregunta formulada polos xornalistas durante unha rolda de prensa celebrada en Santiago, onde Román Rodríguez asegurou que "todos os anos adoita haber problemáticas concretas" nunha rede que dá servizo a 77.000 escolares. Neste sentido, lembrou que o pasado ano tivo lugar a renovación da metade dos itinerarios, o que presuntamente derivou nun "período de axuste" que podería carrexar problemas "concretos" que, segundo o conselleiro, iranse solucionando a medida en que avance o curso. Autobuses rodearán a Xunta polas concesións do transporte "Somos conscientes de que hai algúns que se debe corrixir. Tanto a Consellaría de Educación como a de Infraestruturas, cando temos unha notificación (dunha incidencia) do equipo directivo comunicámolo á empresa e abrimos as dilixencias necesarias", sinalou o máximo responsábel da área educativa do Goberno galego. Mobilización das anpas A Federación de Anpas Compostela, na que se integran as asociacións de pais e nais de centros públicos de Santiago e da comarca, chamou á mobilización das familias o próximo 29 de setembro ante o "caos" no transporte escolar. Funciona correctamente o transporte escolar na Galiza? A DXT inicia unha campaña de vixilancia Denuncian as "múltiples deficiencias" no transporte escolar e reclaman "o correcto funcionamento das liñas de transporte en tempos, percorridos, condicións e seguridade". Así, convocan as familias para o próximo 29 de setembro a concentracións nos centros escolares do IES do Sar, en Santiago; o CEIP Igrexa-Calo, en Teo; e o CEIP de Vite, co fin de esixir á Xunta "a solución inmediata" fronte a esta situación. |
NOS_50944 | Alfonso Mouzo, voceiro do comité de empresa de Ferroatlántica, non ten dúbida de que o plan industrial proposto pola empresa e avalado en Madrid polos sindicatos estatais supón a venda das hidroeléctricas. "Iso é a fin para a Costa da Morte", reitera, ao tempo que lamenta que "compañeiros" de "Madrid, Santander ou Huesca" decidan "sobre o noso". | - Viades vir este escenario, un escenario no que a empresa sacase adiante o plan industrial – que implicaría a venda das hidroeléctricas- co apoio dalgúns sindicatos? - Viámolo vir, si. A empresa usa os sindicatos estatais para avalar o seu plan. De feito, os compañeiros de CCOO e UXT no comité de empresa de Cee, Dumbría e centrais xa renunciaron aos seus sindicatos. Nós, o comité, non avalamos nada e mantémonos na mesma postura, e pedimos ao conselleiro de Industria que nos reciba dunha vez porque o que está pasando merece esa xuntanza. A Xunta ten que parar este acordo ilegal, nós non o consideramos lexítimo. Que xente de Santander, Madrid ou Huesca negocien con cousas que son da Costa da Morte, dos galegos, que nos afectan a nós, é un auténtico espolio. Iso non se pode consentir. - A pelota está agora, máis ca nunca, no tellado da Xunta - Veremos de que lado se pon o que é o presidente de Galiza, que se ten que posicionar xa: ou do lado de Villar Mir ou do lado dos traballadores galegos. Con que non lle cambien a concesión xa está, non fai falta máis, a empresa non pode segregar, iso dío moi claro na concesión. O que procura a empresa é que lla cambien, que esa concesión xa non sexa de interese público. Mais se retiran iso, isto acaba mal, porque o que presenta a empresa non é un plan industrial, é un plan de desmantelamento. - Insistides moito en negar que a solución pase por esa proposta de plan industrial... - O único que quere facer é tapar os buratos que ten en OHL. - Ferroglobe teima e insiste en que o plan industrial é a única vía de viabilidade futura, e agora ten o apoio de catro sindicatos - A empresa, cinco días antes das eleccións galegas, anunciou a construción dunha fábrica de silicio solar en Sabón. Daquela non se falaba das centrais, as hidroeléctricas non estaban para nada riba da mesa. Por que agora si? Que cumpra os seus compromisos. A empresa prometeu construír en Dumbría un forno, o chamado Forno 23, xa en 1999 e seguimos a esperar por el. Non o fixo pero ben que foi mercar unha fábrica en Venezuela. Todos os recursos que se xeraron aquí, nas nosas centrais, van para outros intereses do grupo. Un exemplo é o da Torre Espacio [o cuarto rañaceos máis alto do estado], en Madrid, que foi avalada cos beneficios das centrais. Pero agora dinnos que hai que vender as centrais, que non dan cartos. Se non dan cartos, se dan só 2 millóns como eles din... quen lles ía facer unha oferta por 255 millóns? Son parvos os compradores? Eles o que queren é que se lles permita segregar para poder vender as fábricas, que agora non poden polas condicións da concesión. Entón o que fan é presentar un plan industrial para poder segregar. Se o conseguen, isto na Costa da Morte dura dous telediarios. - Como sentou que compañeiros doutras partes si desen o visto bo ao plan industrial? Por que credes que o fixeron? - A empresa empregou as súas armas, presionou a base de chantaxes. Non nos sentou ben, claro. A nosa casa non a terían porque vender outros. - E esta noticia como cae na veciñanza, que vos leva apoiando todos estes meses nas mobilizacións? Ides poñervos en contacto cos concellos? - Queremos ter unha xuntanza canto antes cos alcaldes da Costa da Morte. O pasado 10 de marzo a veciñanza amosou alto e claro o seu apoio. Máis de 7.000 persoas na manifestación de Cee. Son sete mil persoas que mandaron unha mensaxe moi clariña ao presidente da Xunta. Non sei a que espera Feijóo para deixar ben claro que non vai permitir a desautorización. Está moi caladiño. |
PRAZA_13085 | As plataformas e Adicae aumentan a presión na rúa e, malia "a esperanza" que supón a demanda civil contra NCG Banco, advirten do "alongado no tempo que pode ser o proceso xudicial". Os afectados, que reclaman un remedio axiña, maniféstanse mañá ante as oficinas da entidade en varias vilas e cidades galegas. | Satisfacción entre os afectados polas preferentes en Galicia. O anuncio da Fiscalía de que prepara unha demanda colectiva civil contra Novagalicia Banco aumenta algo as esperanzas das preto de 43.000 persoas que din sentirse "estafadas" pola entidade galega. Adicae (Asociación de Usuarios de Bancas, Caixas e Seguros), que canaliza moitas das reclamacións, amosa tamén a súa "esperanza" pola nova e anuncia que se persoará no proceso, achegando toda a información que ten no seu poder para intentar demostrar que as antigas caixas "actuaron con mala fe" e que "aplicaron cláusulas abusivas" aos seus clientes abusando da súa confianza. "É unha luz no túnel porque se se mete o fiscal, supoñemos que isto terá que chegar a bo porto", asegura Antonio Rodríguez, un dos membros da Plataforma de Afectados polas preferentes do Morrazo, que explica con crueza como "xente que coñecía de toda a vida" o convenceu para contratar un produto que lle definiron como depósito a prazo fixo. "Como vou desconfiar eu dun produto que disque me asegura un xuro dun escaso 2,5% e que me ofrece un antigo compañeiro de colexio?", engade este veciño de Cangas, que lembra como ante a negativa de NCG Banco de devolverlle os cartos, os empregados sempre se escudaban "na fusión e na intervención do FROB". "Abusaron da confianza de clientes de toda a vida e así, persoa a persoa, marcharon cos meus aforros e cos de milleiros de galegos", sentencia. "As caixas sempre lle botaban a culpa á fusión ou á intervención do FROB para non dar solucións" "Se prospera a denuncia e temos unha sentenza que cremos que é a solución definitiva para o problema, porque nos terían que devolver o diñeiro", destaca un compañeiro da plataforma do Morrazo, Luciano Villar, en declaracións ás axencias. Mentres, Argimiro Martínez, da asociación do Baixo Miño, amosa a súa alegría pola decisión da Xustiza, algo que ve normal porque "todo o que fixeron as entidades foi un atraco a man armada". Eugenia Mariño, técnica de Adicae en Compostela, leva semanas colgada ao teléfono atendendo chamadas de afectados nos que agora ve "máis esperanza" tras o anuncio da demanda por parte da Fiscalía. A súa asociación apoiará "con toda a documentación que poida" unha denuncia colectiva que consideran "totalmente lexítima" porque sempre defenderon que "un problema global e desta magnitude require dunha solución tamén global". En Galicia, e só tendo en conta os afectados de NCG Banco, preto de 43.000 persoas afectadas pola emisión de 1.100 millóns de euros, dos cales 1.000 se corresponden a clientes minoristas. Xente que, de media, arriscaba uns aforros de non máis de 15.000 euros. Ademais, unha directiva europea obriga a que os bancos sometan aos seus clientes a un exame para asegurarse de que saben o que están a contratar. É a denominada informacón precontratual dos riscos que asumen. O único que se facilitaba en NCG Banco era un folleto que case nunca se entregaba e que non aclaraba demasiado. "Se o cliente non quería arriscar, como era na maioría dos casos, non se lle podían ofrecer estes produtos", lembra a Asociación de Usuarios de Banca. A emisión das preferentes de NCG Banco ascende a 1.100 millóns de euros, 1.000 deles corresponden a pequenos aforradores Tanto Adicae como os afectados reclaman "unha solución política" e unha "maior implicación dos gobernos galego e central", pero rexeitan as propostas feitas nos últimos días desde a Xunta ou o Executivo en Madrid. "Sabemos que a saída ten que ser política e que os políticos teñen que posicionarse e deixar de propoñer, ao igual que algunhas entidades, que as preferentes se convertan en accións... Se os afectados quixesen accións, xa as terían comprado. O que queren son os cartos", insiste Mariño, de Adicae, que critica que o ministro De Guindos anuncie agora unha normativa para evitar "estes timos" cando "todo o mal xa está feito". Os afectados confían na Fiscalía pero non no tempo que poida durar o proceso: "Queremos unha solución xusta e no tempo axeitado" Pero a demanda da Fiscalía non acaba cos temores nin coas reivindicacións. Nin moito menos. Tal e como advirte Adicae "o preito pode durar cinco ou seis anos". "O que nós demandamos é unha solución dentro do panorama de reestruturación financeira que se está a producir; as preferentes son un activo tóxico que debe sanearse e os afectados deben ter unha solución xusta e no tempo axeitado", recorda a asociación de usuarios de banca, que teme que a demanda se alongue demasiado no tempo. Por todo isto, Adicae e as distintas plataformas de afectados continúan coas mobilizacións e este mesmo xoves 24 están convocados en varias vilas e cidades do país fronte ás oficinas de NCG Banco para protestar. Entre as 11.30 e 12, Compostela, A Coruña e Vigo, entre outras localidades, recibirán centos de clientes das antigas caixas que, entre 2003 e 2009 "foron enganados". "Foi un abuso feito a mala fe, as caixas sabían a quen lles colocaban estes produtos: a minoristas e aforradores de toda a vida, xente traballadora que confiaba na entidade e da que se aproveitaron", sentencia Eugenia Mariño. O día 2 de xuño, na Coruña, unha manifestación a nivel galego e que pretende ser masiva percorrerá as rúas desde a praza de Ourense. |
NOS_47170 | O Bloque presentou esta sexta feira o manifesto 'Galiza pola República'. Un documento que pretende pór a primeira pedra na loita pola construción "dunha Galiza soberana" fronte a "decrepitude do sistema". | O hotel Airas Nunes foi o cenario elixido polo Bloque Nacionalista Galego para lanzar o manifesto 'Galiza pola República'. "O pai da nosa república" explicaba o portavoz nacional da organización frontista, Xavier Vence, dá nome a este histórico local situado a carón doutro emblemático lugar para o republicanismo nacional galego, a imprensa do alcalde compostelán fusilado polo fascismo, Ánxel Casal. Néstor Rego, Xabier Vence, Saleta Chao e Rafael Vilar (membros da executiva nacional do Bloque) fixeron público esta sexta feira un texto en prol da "ruptura democrática" cun marco político, xurídico e institucional "antidemocrático", herdeiro "da doma e castración", dixo, que "nega" a Galiza "como nación" e que "impide o noso libre desenvolvemento como pobo". A través deste acto, @s nacionalistas apresentaron unha campaña a prol da construción "da República galega" pois, aseguran, "Galiza non é monárquica". Desde o Bloque chaman a encetar un debate social que se materializará nos vindeiros meses en diversas actividades de "concienciación social" que doten o pobo "dos intrumentos precisos para gobernármonos nós propios", acrecentou Vence. Neste senso, fixeron un apelo a "todas as organizacións" que partillen esta idea "desde o nacionalismo e a esquerda", nun momento, sinalaron, onde "vemos máis do que nunca antes a vontade popular de recuperarmos a democracia nun sentido pleno". "Unha república nosa, galega, social e democrática"En cuestión puxeron @s nacionalistas a institución monárquica, mais tamén o actual "marco político" do que "esta é o cumio", explicaron. Para Xavier Vence, a Casa Real constitúe "o garante da unidade" nun Estado, como o español, en crise. Por iso, apuntan, "fronte á dramática situación que vivimos", desde o BNG apostan en "erguer a bandeira da República", mais non dunha República española, senón "nosa, galega, social e democrática", acrecentaron fronte "o anacronismo que supón" unha monarquía parlamentar "anacrónica" conformada por "unha familia de parásitos sociais". O BNG ergue a bandeira da República, mas non dunha República española "senón nosa, galega, social e democrática" "É unha cuestión de dignidade", aseguran desde a organización frontista, reivindicar os principios republicanos e a construción "dun Estado de noso" como ferramenta fronte á "crise económica, política, social e institucional" vixente. Neste senso, @s nacionalistas chamaron a situar Galiza "no proceso de modernización de Europa" que se está a desenvolver a través do avanzo soberanista encetado por Escocia, Catalunya ou Flandes. Neste escenario "de decrepitude do sistema" desde o Bloque apelan á necesidade "de erguer os soños e as esperanzas" da cidadanía e construír, din, "desde o espírito transformador, indignado e rebelde unha sociedade nova". "A vía estatutaria está esgotada"O portavoz nacional do BNG asegurou, en resposta @s xornalistas, que esta campaña non procura unha reforma do Estatuto de autonomía. Para @s nacionalistas esta "é unha vía esgotada" habida conta da sentenza promulgada polo Tribunal Constitucional a respeito do Estatut catalán. Así pois, desde o Bloquen apuntan cara á xeración dun "proceso de ruptura democrática" que –ao igual que está a acontecer noutras nacións sen Estado como Galiza-- supere o actual marco xurídico e rache coa "dependencia á que Galiza está submetida". |
PRAZA_890 | O 21 de abril ábrense as inscricións para a terceira edición do congreso de cultura dixital e redes sociais de Lugo. Os directores de Eldiario.es e Praza.gal, entre os relatores. | Por terceiro ano consecutivo, Internet terá unha ollada dende Lugo. A Deputación lucense lanzou este venres o #InLugo15, a terceira edición do congreso de cultura dixital e redes sociais que desta volta se celebrará entre o 8 e o 9 de maio no Pazo de San Marcos, sede da institución, e que volverá centrar o seu obxectivo en "fomentar o uso da rede e das novas tecnoloxías entre todos os sectores da poboación", así como "reflexionar sobre o papel" das ferramentas tecnolóxicas e da rede "na sociedade actual". O vindeiro 21 de abril abrirase a inscrición para ocupar as 200 prazas de balde -o pasado ano esgotáronse nunha hora- dun evento que, en verbas da vicepresidenta do ente provincial lucense, Lara Méndez, pretende ser un "encontro tecnolóxico" que actúe tamén como "escaparate de excepción para a promoción económica e turística da provincia de Lugo e de Galicia". Así, destacan dende a organización, o #InLugo logrou nas súas anteriores edicións ter unha notable repercusión nas redes sociais, o que supón "unha gran proxección da provincia e do talento lucense", afirman. As inscricións para o #InLugo15 ábrense este 21 de abril O programa de relatorios e debates inclúe este ano persoas expertas nos "cambios de hábitos, mentalidades, formas de comunicación e estilos de vida que está provocando Internet na sociedade nos nosos días" procedentes de ámbitos como a seguridade xurídica, o dereito, o márketing ou o xornalismo. Do ámbito dos medios procede, precisamente, un dos cabezas de cartel desta edición, Ignacio Escolar, director de Eldiario.es, xornal co que colabora Praza Pública, quen abordará "os desafíos que afrontan os medios nun panorama de comunicación completamente novo". Asemade, outro dos relatorios será o de David Lombao, director de Praza.gal. Os directores de Eldiario.es e Praza.gal participan como relatores no congreso, que desta volta se celebra o 8 e 9 de maio O director de social media da cadea hoteleira NH Group, Juan Andrés Milleiro, o deportista e blogueiro Víctor Tasende ou o redactor xefe de Rtve.es, David Varona, serán outros dos nomes que figurarán na nómina de case unha trintena de relatores que se farán públicos nos vindeiros días. Ademais destas intervencións o #InLugo15 acollerá presentacións de "empresas, iniciativas e proxectos relacionados coa rede" e ligados á provincia de Lugo e que "triunfan grazas aos medios sociais", caso por exemplo da artesá Idoia Cuesta, recente Premio Nacional de Artesanía. O peche do congreso será de novo a entrega dos Premios InLugo nas categorías de Comercio, Ocio e Restauración; Educación e Formación; Cultura e Acción Social; e Tecnoloxía, cuxas candidaturas están abertas ata o vindeiro 23 de abril. Programa do #InLugo15 |
NOS_38511 | A Plataforma por un transporte público digno de Ferrol critica que o actual contrato teña "un número tan limitado de quilómetros" e condicione o servizo. | Usuarias e usuarios do transporte público por estrada entre Ferrol e A Coruña non están satisfeitos co servizo que lles ofrece a empresa Monbus, en unión con outras compañías, após substituír á empresa Arriva. A Plataforma por un transporte público digno de Ferrol e comarca volveu a demandar "o restabelecemento das liñas e frecuencias que existían antes do cambio da concesión" nunha rolda de prensa que realizaron na Praza da Galiza. Teresa Vázquez, portavoz desta plataforma, criticou que tanto a Xunta como as empresas concesionarias "realizaron unha auditoría e unha enquisa aos usuarios para detectar os desaxustes". Porén, asegura que "non sabemos para o que serviron, xa que na reunión que mantivemos a semana pasada co director xeral de Mobilidade instóusenos a informar por escrito, unha vez máis, sobre as nosas demandas". A representante deste colectivo detallou que "tras meses de anuncios de melloras, o certo é que se continúa igual, sen recuperar un servizo que funcionaba ben". Para Vázquez, a situación empeorou. "Agora vemos que cando necesitamos coller o bus esa frecuencia foi eliminada", lamenta. A eiva da limitación de quilómetros Teresa Vázquez detallou que "a actual concesión ten un número de quilómetros tan limitado que calquera axuste nas liñas e nas frecuencias, implica deixar sen servizo a veciños ou colectivos dunha ou doutra localidade, facendo así máis precario o servizo", ademais de incidir que se está "mesturando o transporte discrecional co escolar, co obxectivo de incrementar a rendibilidade das concesionarias". Alén diso, afondou no tema laboral do persoal da empresa que "sufriu un empeoramento das condicións laborais dos seus traballadores", asegura. Con este panorama, a Plataforma reclama a todas as administracións que "actúen dunha vez de maneira decidida para saír do illamento no que se atopa na actualidade a comarca, produto da carencia de medios, sen esquecer a importancia que para nós tamén ten o tren". Se non se atenden as demandas da Plataforma, este colectivo non descarta convocar novas mobilizacións, mais todo dependerá, aseguran, da reunión que prevén ter esta segunda feira cos representantes da Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol. |
NOS_55322 | O comité de empresa exixe máis "concreción" para saír da situación actual e a propia multinacional quere ter máis datos. | A reunión multilateral entre Goberno español, Alcoa, Xunta da Galiza e comité, con presenza tamén de representantes das empresas auxiliares, tivo lugar onte nun contexto de presión social extrema pola incerteza do futuro da factoría en San Cibrao, Cervo. Cando falta unha semana para que remate a prórroga do período de consultas previo á execución do expediente de regulación de emprego (ERE) proposto pola multinacional e con todo o persoal da multinacional en San Cibrao, incluídas as auxiliares, en folga indefinida, a única posibilidade que quedaba de torcer a situación era ver que proxecto presentaba o Ministerio de Industria. Proposta do Ministerio e apoio da Xunta Javier Losada, delegado do Goberno español na Galiza, adiantaba horas antes do encontro telemático que a proposta do Ministerio estaba pensada para facer "recapacitar" a multinacional para que "entre a formar parte da solución e non do problema". Na reunión desde o Ministerio non se quixo presentar unha proposta máis concreta que a achegada na anterior xuntanza asegurando que se trataba dun plan "confidencial". Por parte da Xunta da Galiza Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria, aseguraba que o Goberno galego aprobara un plan para as industrias electrointensivas. "Declaramos este sector como estratéxico esencial e temos comprometidos os fondos que sexan necesarios para apoiar o desenvolvemento industrial de calquera proxecto en Alcoa San Cibrao", aseguraba aos medios antes de ter lugar a reunión multilateral. Afirmaba tamén que apoiarían calquera proposta do Goberno español que fose "transparente". O comité de empresa quere feitos, non palabras Unha vez conseguida a prórroga para continuar as negociacións, o comité de empresa reclamaba máis "concrecións", que deberían saír desta reunión multilateral. "O Goberno español debe detallar o seu plan industrial e enerxético", explicaba José Antonio Zan, presidente do comité de empresa, "mais ten que explicar como vai forzar a Alcoa a que dea marcha atrás e retire o ERE", engadía. Zan explicaba á Radio Galega horas antes da reunión que "Alcoa enrócase na súa postura" polo que "o Goberno o que ten que facer dunha vez por todas é explicarnos como facer para que Alcoa varíe en San Cibrao a súa postura e nos dea unha viabilidade a longo prazo". Desde o comité de empresa e a coordinadora de traballadoras e traballadores de empresas auxiliares de Alcoa San Cibrao veñen exixindo desde hai semanas a nacionalización ou, no seu caso, a intervención da factoría de aluminio para evitar a destrución de case mil postos de traballo que dependen dela na comarca da Mariña. |
NOS_24617 | BNG e PSdeG lamentan que o Goberno da Xunta desbote ese reforzo para o sistema educativo. | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiron ao presidente da Xunta, Núñez Feixoo, que manteña para o vindeiro curso os docentes contratados de reforzo durante a pandemia. En declaracións aos medios no Parlamento de Galiza, a líder do Bloque asegurou que a Covid demostrou "que se necesita máis profesorado" após "anos de recortes" de docentes cos Gobernos do Partido Popular. "Equivócase Feixoo e nós pedímoslle unha rectificación non só para que se manteña todo o persoal contratado durante a Covid, senón para que se reforce o sistema educativo", sostivo. Pontón considerou que hai unha oportunidade para facer unha mellor educación, "que é o mellor investimento que pode facer un país" e sostivo que Feixoo "volve mostrar unha miopía importante" e "a súa incapacidade para defender uns servizos públicos de calidade". Pola súa banda, noutra rolda de prensa tamén no Pazo do Hórreo, o xefe de filas dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, instou o máximo mandatario galego a "non iniciar o curso que vén despedindo centos de profesores". "Que manteña os contratos a todos os profesores de reforzo que existiron no curso 2020-2021 e que non queira facer na educación o mesmo que fai na sanidade" "Que manteña os contratos a todos os profesores de reforzo que existiron no curso 2020-2021 e que non queira facer na educación o mesmo que fai na sanidade", afirmou. Tras censurar tamén que na atención primaria haxa listas de espera e que a asistencia sexa "telefónica e non presencial", criticou que o Partido Popular non queira saír da crise reforzando os servizos públicos e todo o que implica benestar e cohesión social. "Para ter unha educación de calidade é necesario manter a todos os profesores contratados, non podemos seguir á cola da listas do estado español en calidade de servizos públicos e sociais", incidiu Gonzalo Caballero. A respecto destas demandas, o portavoz parlamentar do PPdeG, Pedro Puy, destacou que "o ano pasado foi un ano extraordinario" no que "se puxeron todos os medios necesarios para manter a normalidade do proceso educativo". "O que imos é a seguir poñendo todos os medios necesarios en función de como evolucione a situación sanitaria e as esixencias da propia pandemia", indicou. |
NOS_48974 | Novagalicia Banco confirmou que o FROB vai vender o Banco Gallego e que EVO seguirá o mesmo camiño | Novagalicia Banco vén de confirmar que o Fondo de reestructuración Ordenada bancaria (FROB) venderá o Banco Gallego e que ese camiño seguirao EVO Banco, a entidade que agrupa o negocio da entidade financeira alén das fronteiras da Galiza. NGB mesmo apunta a que hai inversores interesados en adquirir EVO. Banco Gallego posúe 184 oficinas. Diversas informacións aparecidas nos medios apuntan á posibilidade de que o grupo portugués Banco Espírito Santo esté interesado na adquisición do BG, para convertelo nunha filial. Desde os sindicatos incídese en que se manteñan os postos de traballo. NG Banco, que está controlada nun 90,6% polo FROB posúe case a metade das accións do Banco Gallego e prantexouse, dentro dos seus plans de recapitalización, desprenderse desta entidade ou integrala na súa propia estructura. Os resultados do primeiro semestre de ano revelaron perdas de máis de oito millóns de euros no BG. |
NOS_31754 | Máis dun ano despois do feche dos traballadores e traballadoras da Escola Municipal de Música de Santiago no Concello, CIG-Ensino lamenta os vaivéns xudiciais derivados da decisión do antigo equipo de Goberno local, que mantén sen resolver o proceso de adxudicación do servizo. | Segundo explica nun comunicado o sindicato maioritario no sector da educación na Galiza, o recente fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza sobre a Escola Municipal de Música de Santiago demostra que o concurso para a súa xestión "foi un despropósito desde o comezo". No seu escrito o TSXG "confirma a sentenza anterior dun xulgado de Compostela na que se anulaba a exclusión de Esproade na primeira fase do proceso de adxudicación do servizo". Despois deste fallo, a Escola Municipal de Música segue pendente doutra sentenza sobre "a declaración de lesividade dos pregos de contratación por parte do Concello de Santiago" que será a que determine, finalmente, a quen lle corresponde a prestación do servizo. Neste momento, explica CIG-Ensino, os 21 traballadores e traballadoras da Escola Municipal de Música de Santiago permanecen no centro coas mesmas condicións laborais traballando para a empresa Trobeiro, á que se lle prorrogou o contrato tras anularse a concesión a Esproade. Sobre o desenlace do proceso xudicial, Rubén F. Monteagudo, secretario comarcal da CIG-Ensino, apela ao actual Goberno municipal do PSOE a que busque unha solución que garanta a súa continuidade. E asegura que xa están analizando todas as vías "para que se opte pola que teña as máximas garantías xurídicas posíbeis e poña o seu foco na defensa da estabilidade do persoal". |
Subsets and Splits
No community queries yet
The top public SQL queries from the community will appear here once available.