ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
PRAZA_15233 | A utilización da nosa fala na práctica sanitaria pode ser dobremente benéfica: pode ter valor terapéutico en si mesma –moitas persoas senten a proximidade do profesional cando a relación se establece na lingua propia-, e tamén pode mellorar a saúde do idioma, dado o prestixio que a profesión sanitaria segue a ter entre a poboación. Con este propósito naceu a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) | O galego está enfermo, pero aínda non morreu, como se prognosticou hai anos. Aínda hoxe é a lingua maioritaria en Galicia. A grande maioría da poboación entende o idioma e tamén sabe falalo. Pero hai un dato preocupante: a poboación máis nova e cun nivel educativo máis alto –e que tamén saben escribilo e lelo-, son os que máis desertaron do seu uso na vida cotiá. Tamén preocupa a escasa presenza da lingua nos medios de comunicación (e a desaparición daqueles que a usaban) así como a pouca penetración no espazo virtual. A maior porcentaxe de galegofalantes dáse no medio rural e na Galicia interior. En moitas cidades non é doado facer vida en galego da mañá á noite, e mesmo son frecuentes as "conversas bilingües". A desafección polo noso idioma non está condicionada polo descoñecemento do mesmo: aqueles que máis formación teñen son os que menos o usan. En certos ambientes hai unha visión estigmatizada do galegofalante Así pois, a desafección polo noso idioma non está condicionada polo descoñecemento do mesmo: aqueles que máis formación teñen son os que menos o usan. En certos ambientes hai unha visión estigmatizada do galegofalante. Podemos lembrar aquela moza de Gran Hermano que dicía: "Es que a mí me cuesta un montón hablar en gallego... Un día conocí a un chico pero ¡¡hablaba en gallego, y me dio un bajón!!". Esta connotación pexorativa é, por desgraza, moi frecuente, e hai quen asocia o uso do galego coa ruralidade e a ignorancia. A utilización da nosa fala na práctica sanitaria pode ser dobremente benéfica: pode ter valor terapéutico en si mesma –moitas persoas senten a proximidade do profesional cando a relación se establece na lingua propia-, e tamén pode mellorar a saúde do idioma Cómpre vencer estas resistencias e crear condicións para que falar galego sexa unha opción desexable para todos e, especialmente, para a mocidade; precisamos recuperar o seu uso en todos os ámbitos da vida diaria. O galego vivirá se está presente nos parques infantís, nas tendas, nos estadios de fútbol, nos xulgados e nos hospitais. Se o seu uso se restrinxe ao mundo literario e á liturxia da política non haberá porvir para a nosa fala. No mundo da sanidade a presenza do galego é moi escasa. Só fala galego habitualmente o 35% dos profesionais mentres que só o escribe o 6,5% (C. Gradín / IGE). No seu último libro, As voces baixas, Manuel Rivas conta a anécdota dun home que por fin é admitido como bedel dun banco: Seu pai comentoulle: "E terás que mercar un traxe novo...". El respondeu: "Xa está mercado! Onte probei coa gravata. Xusto ao apertar o nó púxenme a falar un castelán macanudo". Pois iso; semella que aos sanitarios deste país, desde que puxeron a gravata, borróuselles o galego dos beizos. A utilización da nosa fala na práctica sanitaria pode ser dobremente benéfica: pode ter valor terapéutico en si mesma –moitas persoas senten a proximidade do profesional cando a relación se establece na lingua propia-, e tamén pode mellorar a saúde do idioma, dado o prestixio que a profesión sanitaria segue a ter entre a poboación. Coa convicción de que a doenza do galego ten cura esta Irmandade pretende, ano a ano, sumar vontades ata que falar galego nos hospitais non sexa un acto heroico senón un feito cotiá asumido con total normalidade Con este propósito naceu a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA): para promover o uso do galego no ámbito sanitario. O primeiro de decembro celebra a súa segunda asemblea anual en Vigo. Na mesma darase acollida a cincuenta novos irmandiños –sanitarios de toda Galicia destacados polo uso do idioma no seu desempeño profesional-, e tamén se fará unha homenaxe ao doutor Ramón Obella Vidal, investigador, empresario e galeguista, impulsor principal da empresa Zeltia. Coa convicción de que a doenza do galego ten cura esta Irmandade pretende, ano a ano, sumar vontades ata que falar galego nos hospitais non sexa un acto heroico senón un feito cotiá asumido con total normalidade. Que anomalía de país, que temos que distinguir aos que utilizan a propia lingua! |
NOS_42743 | O operativo contra unha célula jihadista decorre en Verviers (Liexa). Algúns medios falan de tres mortos. | Unha operación policial contra unha presunta célula jihadista causou varios mortos na cidade belga de Verviers, segundo a televisión pública deste país, que tamén indica que hai varias persoas detidas. Algúns medios falan de tres falecidos, mais o número está sen confirmar oficialmente. Outras fontes falan de dous mortos e un ferido moi grave. A operación decorre nas proximidades da estación desta cidade de Liexa. Testemuñas citadas pola TV belga falan de "estoupidos" e "disparos" durante uns 10 minutos. Algúns medios afirman que nesta cidade de Liexa vivían algúns dos 400 mozos belgas que retornaron ao seu país após combater en Siria e Iraque nas fileiras 'jihadistas'. Tamén en Bruxelas Paralelamente, unha operación policial decorre en Bruxelas. Tamén se dirixe, informa o xornal Le Soir, contra belgas que retornaron ao seu país após combater en Siria da man de grupos extremistas islámicos. |
NOS_52379 | Ás veces non sentimos o carácter que deberían desprender os nosos equipamentos de sanidade, educación ou xustiza. Centros de saúde que debesen xerar confianza parecen comisarías; escolas infantís ou colexios onde aprender a relacionarse como búnkeres; centros cívicos onde reunirse como tristes tanatorios; xulgados que precisan transparencia e seriedade como atraccións de feira etc. | Esta é unha pregunta que nos facemos diante dalgún edificio recente. As arquitecturas como o resto das cousas teñen que semellar o que son. O que vemos das cousas son as cousas. A súa inevitábel presenza física encarna determinados valores onde forma e significado non poden separarse. Todo fala. Cada novo equipamento é unha oportunidade para construír unha referencia. A súa presenza cívica debe facer encaixar a súa función interna co seu rol urbano; ademais de servir a si mesma debe obedecer ao anaco de cidade que constrúe e transforma. A súa relación co exterior que axuda a ordenar, ten que ser clara. A súa forma sen formalismos nin engadidos debe axustar tamaños, luces internas e externas. E ademais de relacionar escalas consigo mesma e a súa contorna, tamén debe facelo entre aquelas e nós. A súa forma vai máis aló do seu perímetro, prepáranos para a súa experiencia de aproximación exterior, ritual de entrada e posterior goce interior. A arquitectura aparece cando lle pedimos algo máis que a súa simple utilidade: a sorpresa da súa adecuación inesperada. O misterio poderoso da forma atráenos ou expúlsanos. Que fai irresistíbel, inconfundíbel e memorábel un edificio? O que por fóra non comunica, do seu interior non podemos esperar algo mellor. Ás veces non sentimos o carácter que deberían desprender os nosos equipamentos de sanidade, educación ou xustiza. Centros de saúde que debesen xerar confianza parecen comisarías; escolas infantís ou colexios onde aprender a relacionarse como búnkeres; centros cívicos onde reunirse como tristes tanatorios; xulgados que precisan transparencia e seriedade como atraccións de feira etc. Que lle farían os seus veciños aos seus autores? ou antes aínda: que tipo de procesos de selección de proxectos e xurados fixeron chegar iso até aquí? Capítulo á parte merece a casa unifamiliar como representación do status. En en xeral, debería prohibirse maior dano ao noso territorio, as 400.000 existentes abondan. A maioría das novas vivendas, en lugar de ser pensadas como unha casa máis e para calquera na nosa mellor tradición, son un capricho mal situado, aparatoso e ostentoso grazas á complicidade entre os particulares e certos técnicos submisos. As mellores casas apenas se intúen desde a rúa. Os tipos de edificios e o seu significado varían co tempo, pensemos nos trocos das bibliotecas ou dos bancos. Ao que deben ser, súmase o que poden ser hoxe grazas aos avances da técnica. Ademais, están a producirse novos tipos de edificios complexos onde se mesturan funcións: equipamentos con oficinas e vivendas cada vez máis intercambiábeis, nos que se precisará fixar novas imaxes colectivas. Para iso, podemos extraer leccións das grandes obras de enxeñaría ou industriais, do funcionalismo literal dos nosos portos, das grandes infraestruturas da mobilidade cos seus extraordinarios sotos; e onde se está a producir parte da mellor arquitectura-enxeñaría actual. E é que as cousas na rúa son como teñen que ser pero ás veces son como un as imaxina. |
NOS_55550 | O 16 de maio de 1978 o teatro galego entrou nunha dimensión descoñecida. Ese día, a función de Laudamuco, señor de ningures en La Salle (Santiago de Compostela) supuxo o inicio do camiño profesional da escena despois do franquismo. A corenta anos daquel fito histórico, a actriz e compañeira de Roberto Vidal Bolaño -autor da obra- Laura Ponte lembra aquel destemido salto adiante. | "Había tempo que falabamos desa posibilidade. Queriamos visibilizar o noso traballo, chegarmos a moita máis xente", conta Ponte a Sermos Galiza, "non era tanto por cartos como por ter tempo para proxectos interesantes". A primeira persoa de plural refírese ao grupo de teatro afeccionado Antroido, que confundou con Vidal Bolaño e que axiña mutaría en Teatro Antroido. "Antes de profesionalizarnos, xa eramos un grupo potente, traballabamos todos os días", puntualiza. O caso é que as circunstancias materiais condicionan as ideas. Ou algo así foi o que sucedeu en Antroido. Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002) traballaba nunha sucursal bancaria. Mais a súa relación cos superiores atravesaba algunhas dificultades. "El non quería levar garavata, negábase a facer as horas extras", relata Ponte, "chegou un intre en que reduciron persoal e, claro, tocoulle a el". A vía cara ao teatro profesional quedaba aberta: "Decidimos que era posíbel". Naquel intre, entre 1977 e 1978, Antroido acababan de montar Memorias de mortos e de ausentes, "cunha escena innovadora pero que só tivo tres funcións". Para o inicio da aventura, escolleron o Laudamuco, señor de ningures. E contrataron a Rodrigo Roel como terceiro intérprete. "O Laudamuco é un texto moi interesante", explica Paco Macías, editor da súa obra completa en Positivas, "que escribiu contra o ano 74, e que xa se representara na Mostra de Ribadavia. Baséase no Discurso sobre a servidume voluntaria (1548) de Étienne de La Boétie". A representación do 16 de maio foi no colexio La Salle de Compostela. Miguel Segade programaba aquela sala, segundo Laura Ponte, a única en que se "podía ver teatro independente, o máis interesante do que se estaba facendo, Els Joglars, La Cuadra...". A catro décadas vista, a memoria empeza a esfuracar. "Recordo moito máis o proceso que nos levou ao Laudamuco que os detalles da función", confesa, "corenta anos xa e lancha quieta, que diría Roberto". Con Eduardo Alonso, acabado de chegar de Madrid, como director, aquela foi a primeira dunhas noventa representacións, en Galiza e no exterior. "Nos primeiros anos como profesionais, nin sequera cotizabamos", recorda, "e tocabamos moitos paus: monicreques, teatro de rúa...". Antroido na rúa, Ruadas das papas e do unto ou As falcatrúas do Marqués de Patacón -unha adaptación de Euloxio Ruibal sobre un texto francés anónimo do século XV- foron algunhas das pezas que seguiron o célebre, e celbrado, Laudamuco. A profesionalización do teatro galego, con todo, estaba no aire. O esboroamento da ditadura e a efervescencia político cultural da Galiza dos 70 ampliaba o campo de posibilidades. Así o reconstrúe Laura Ponte, qjuen menciona colegas como Antonio Simón, de Troula, ou Manuel Guede, como dramaturgos e compañías que axiña seguiron o traxecto iniciado por Teatro Antroido. "Era unha inquedanza colectiva, si", conclúe, "nunha época en que había moitos lugares onde ir co teatro. Chegamos a moitos sitios". Non parece ser o caso hoxe en día, a dicir do editor Paco Macías, quen lamenta que ningunha institución se interesase por unha efeméride coma esta, a dos 40 anos da primweira función profesional do teatro galego. "Algunha xente do teatro afirma que os actores de Fariña veñen de feitos coma este", asegura, "e tivemos que celebralo pola nosa conta en Brión. Estabamos unhas vinte persoas. Non pasa nada, está ben". Nota: a actriz Laura Ponte, confudadora de Teatro Antroido, e unha imaxe de Laudamuco, señor de ningures. |
NOS_54985 | O presidente español defendeu no Senado que o procedemento para aplicar este artigo da Constitución española "está cargado de razóns". Deita no independentismo a culpa de ter o goberno español que recorrer a estas ferramenta "excepcional" por "non deixar outra vía posíbel". | Hai razóns abondo para aplicar o artigo 155 en Catalunya. Mariano Rajoy compareceu esta sexta feira no Senado para pedir autorización para que o seu goberno poida activar este precepto constitucional nos termos aprobados a semana pasada polo Consello de Ministros. O presidente español responsabilizou o independentismo de ter o executivo central que botar man dun mecanismo "excepcional". "Foi Puigdemont quen elixiu que o proceso do 155 continuase adiante" ao se negar a volver á "legalidade", afirmou. Rajoy sinalou que este procedemento se inicia "cargado de razóns" perante as violacións da legalidade do goberno catalán. Un Govern que "non deixou outra vía posíbel" ao rexeitar os diferentes ofrecementos do executivo español para abandonar o camiño da ilegaldade e retornar á senda constitucional, indicou. Catro son os propósitos do 155, dixo, e pasou a citalos. Os mesmos que citara 24 horas antes Soraya Sáenz de Santamaría no mesmo lugar: retorno á legalidade, recuperación da convivencia, manter o crecimento económico e realizar eleccións. Para iso, debullou, o 155 consistirá no cesamento do president, vicepresident e consellers do Govern, así como recortar funcións ao Parlament, como a de propoñer president. Non nomeou a intervención dos medios públicos cataláns, aspecto que o PSOE lle solicitou que non incluíse na aplicación do artigo. "O 155 non é contra Catalunya, é para defender Catalunya; non é para suspender a autonomía, é para consolidar a autonomía", afirmou Rajoy, que reiterou que a este punto se chegara por responsabilidade do independentismo cataláns e o seu "desafío ao Estado". PSOE: "Un 155 o menos invasiva posíbel" O PSOE defendeu a necesidade de aplicar o artigo 155 para establecer medidas que permitan a Catalunya "respectar a lei e a constitución española", segundo Ander Gil. O senador socialista fixo loas dun texto, a constitución do 78, que "garantiu un marco de convivencia" e propiciou "un longo periodo de paz". Se ben o PSOE apoia o 155, Gil enumerou as emendas que presentaba o seu grupo á aplicación dese artigo e que se concretan en 3: unha aplicación do 155 "proporcionada, menos invasiba", que o goberno español non interveña os medios públicos cataláns, e, a máis importante, a "reversibilidade do 155". É dicir, unha porta aberta por se Puigdemont convoca eleccións, que se pare a aplicación. Ciudadanos: "En Catalunya hai un golpe á democracia" O representante de Ciudadanos neste debate no Senado, Francisco Alegre, apoiou con vehemencia a aplicación do 155, criticando que este paso non se dera antes. Atacou o PP por permitir a consulta do 9 de novembro de 2014 e dixo estar orgulloso de que nestes anos Cs fose baluarte contra a "política de odio" do independentismo. Alegre cualificou de "golpe de estado" o que o independentismo fai en Catalunya e pediu a aplicación do 155 para "restauraro estatuto e a constitución". Unidos Podemos: "Vostede, señor Rajoy, non quere Catalunya nin España" Óscar Guardingo comezou a súa intervención afirmando que o pleno no Senado desta sexta feira representaba o "punto final" aos acordos territoriais do 78. "Vostede non quere Catalunya nin quere España", afirmou, ao tempo que criticaba o PSOE, ao que lle recomendou que "escoite máis os seus alcaldes e menos a Rajoy". Guardindo acusou o PP de querer gobernar catalunya "pola vía da imposición" a través do 155 e chamoua un "novo pacto territorial" que recoñeza que o Estado español é "plurinacional" e que Catalunya "é unha nación". ERC: "Os partidos que aoian o 155 son minoría en Catalunya" Mirella Cortès, portavoz de Esquerrra, pediu respecto para as decisión do pobo catalán. "Non somos malvados nin estamos adoctrinados", dixo, por querer elixir o seu futuro. Enfronte situou un goberno, o español, que "queren decidir todo en Catalunya desde aquí [por Madrid]". Cortès lembrou que as forzas políticas que defenden a aplicación do 155 son minoritarias en Catalunya e apelou á cidadanía catalá para "non dar un paso atrás" na defensa dos seus dereitos e liberdades. PDEcat: "Co 15 quérennos levar a 1975" O portavoz do PDEcat no Senado, Josep LL. Cleries, ten claro que coa aplicación do artigo 155 "queren levarnos a 1975". Para o senador, o discurso de Mariano Rajoy levaba a "música de A Por Ellos" e lamentou a ovación e aplausos da bancada popular á petición de aplicar o 155. Cleries advertiu que "non imos recoñecer o president, vicepresident e consellers" que saian da aplicación do 155. "Con ese artigo non suspenden a autonomía, suspenden a democracia en Catalunya, queren usurpar o resultado das urnas". |
NOS_22155 | A xornalista e escritora foi a única proposta oficializada polo pleno da Academia. É a cuarta muller consecutiva designada para acceder á institución. | Ana Romaní ocupará a cadeira de Xohana Torres na Real Academia Galega (RAG). A institución votará no próximo pleno a candidatura da xornalista e escritora de Noia, que cubre a vacante deixada polo pasamento de Torres, académica de número, o pasado 12 de setembro. A RAG destaca de Ana Romaní o seu labor a prol da cultura galega tanto no seu papel como comunicadora como no de escritora. "Dirixe desde o ano 1990 o programa decano da información cultural diaria da radiodifusión galega, o Diario Cultural da Radio Galega, que é tamén un dos máis veteranos da radiodifusión española no seu eido", engade a institución na súa páxina. "Desde este espazo nas ondas promoveu proxectos como o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que desde 2006 deu lugar a 41 obras de teatro radiofónico e que propiciou a revisión do xénero; ou De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI (2013), unha antoloxía poético-sonora con poemas inéditos de 36 poetas arredor de versos de Rosalía de Castro, publicados logo da súa emisión durante un ano". Será a cuarta muller consecutiva designada para ocupar unha cadeira na institución, despois dos nomeamentos de Fina Casalderrey, Marilar Aleixandre e Chus Pato. A RAG salienta nese sentido de Romaní o seu "continuado traballo para visibilizar as achegas das mulleres á cultura desde distintos espazos". Como escritora, valoran a súa dilatada obra poética e a busca de novos universos literarios. "Tras publicar poemas en revistas, en 1987 saíu do prelo o seu primeiro libro de versos, Palabra de mar. O último ata o momento é Estremas, que recibiu varios premios. A súa poética está tamén presente en volumes colectivos e, alén do papel, desenvolveu proxectos vinculados á oralidade do poema e á súa expresión no espazo público da man doutros creadores". No mesmo pleno da Academia, tamén se oficializou a candidatura de Carme Pazos Balado como académica correspondente. "A profesora, experta no estudo do léxico galego, foi durante moito tempo peza fundamental do Seminario de Lexicografía da Academia, ao que estivo vinculada durante case 25 anos", sinala a RAG. |
NOS_897 | O Pontevedra e o Coruxo aínda teñen máis percorrido por diante no grupo por eludir o descenso á Terceira, pero o tempo esgótase para Celta B, Deportivo e Rácing, que afrontan a penúltima xornada do campionato coa imperiosa necesidade de conseguir os tres puntos se queren meterse no 'play-off' e garantir a Primeira RFEF, respectivamente. | A Segunda División B máis atípica de todos os tempos encara a súa recta final con todo por decidir para os representantes galegos na categoría de bronce, coa única excepción da Sociedade Deportiva Compostela, quen xa dixo adeus ás súas aspiracións de militar a vindeira tempada na nova Primeira RFEF. Polo contrario, Rácing Club de Ferrol e Deportivo da Coruña poderían certificalo matematicamente esta mesma fin de semana se son quen de superar os seus compromisos cun triunfo. Así, os Diaños Verdes, líderes do grupo con 36 puntos, reciben na Malata (mañá ás 17 horas) o terceiro clasificado, Numancia, que conta con 34. Os precedentes máis inmediatos entre sorianos e ferroláns non foron favorábeis aos intereses galegos, pois o Numancia non sabe o que é a derrota nos seus seis anteriores enfrontamentos, dos que se fixo cos tres puntos nos catro últimos. Porén, existen razóns fundadas para crer que esta estatística tan negativa quedará desfasada na tarde de hoxe, pois o Rácing leva cinco xornadas sen encaixar nin un só tanto na Malata e, o que resulta aínda máis importante, no coliseo departamental estarán un total de 1.000 afeccionadas e afeccionados apoiando o equipo cos seus cánticos. Nunha situación semellante está o Dépor, pois en Riazor congregaranse 5.000 almas, na que será a maior concentración de persoas na Galiza desde o inicio da pandemia. Isto supón un plus de motivación para uns xogadores branquiazuis que levan toda a semana protagonizando declaracións nas que deixan clara a transcendencia do choque deste domingo ás 19 horas ante o Langreo, ao que chegarán sabendo o resultado do Rácing-Numancia, completando así a terna de equipos que se disputan as dúas prazas que dan acceso á Primeira RFEF. Lamentabelmente, e como vén sendo habitual ao longo dos últimos anos, as circunstancias extradeportivas que rodean o conxunto branquiazul moveron o foco da atención, e na cidade herculina falouse máis do futuro salario do Consello de Administración ou da saída de varios futbolistas cando remate a tempada que do encontro ante a UP Langreo. Pola súa banda, o outro equipo galego do grupo 1-D, o devandito Compostela, xogará o seu penúltimo encontro da tempada no Estadio Vero Boquete o domingo ás 17 horas, onde colidirá co fechacancelas Marino de Luanco sen máis incentivo que facer gala do seu profesionalismo. Inercia positiva celeste No bloque superior, o Celta B chega á fase decisiva da rolda coa inercia positiva da contundente goleada ao Valladolid B e sabendo que o seu rival deste domingo (12 horas), a Cultural Leonesa, non puido facer nada ante o poderío dos de Onésimo Sánchez no partido de ida, no que a "Cultu" perdeu por 0-3. Ademais, tamén poderá contar co apoio da parroquia celeste en Balaídos, onde está autorizada a ocupación de 2.500 localidades. Oportunidade de ouro para eludir a Terceira Finalmente, Pontevedra e Coruxo, que aínda teñen por diante catro partidos para tratar de eludir o descenso á terceira división no grupo 1-E, contan no día de mañá cunha oportunidade de ouro para dar un paso de xigante nesta misión e deixar practicamente asegurada a súa presenza na Segunda RFEF. Os granates, segundos clasificados con 27 puntos, visitan a casa do Covadonga, último da liga, ás 12 horas, mentres que os vigueses, líderes cun punto máis que o Pontevedra, tamén viaxan até Asturias para enfrontarse á mesma hora co antepenúltimo, Sporting B, sabendo que un triunfo garantiría un cómodo colchón de puntos co que afrontar as derradeiras e decisivas datas de campionato. |
NOS_24376 | Un domingo máis, a veciñanza toma as rúas para exixir o retorno ao municipio do servizo de urxencias, derivado a Cangas "de momento e por desgraza", e reforzos no cadro de persoal da Atención Primaria. | A veciñanza de Moaña volveu tomar as rúas este domingo para urxir o retorno ao municipio do servizo de urxencias, derivado actualmente a Cangas, e a contratación de persoal sanitario para ofrecer unha Atención Primaria "digna". Non é a primeira vez que a cidadanía moañesa se mobiliza; xa o fixera os dous domingos anteriores. E o pasado 12 de decembro centos de persoas percorreron a localidade nunha multitudinaria manifestación contra os recortes. Naquela data a propia alcaldesa, Leticia Santos, asegurou que non ía consentir que se lle dixese ao seu goberno que non hai médicos suficientes "cando de 70 médicos que remataron os estudos só 30 ficaron no Servizo Galego de Saúde (Sergas)". Pola súa parte, Concha Trigo, portavoz da plataforma en defensa da sanidade pública de Moaña, criticou que o centro de saúde conte con "só un médico pola tarde e un pediatra pola mañá". "De momento e por desgraza", as urxencias, a Cangas Cómpre lembrar que o 22 de decembro o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmou en sede parlamentaria que as urxencias de Moaña, "de momento e por desgraza", seguirán a derivarse a Cangas. Díxoo en resposta á intervención do deputado do BNG Paulo Ríos, que vencellou esta situación ao "proceso de desmantelamento do público" e acusou o Goberno galego de "enfrontar veciños con profesionais", o que, salientou, "levou os facultativos a solicitaren un garda xurado debido á tensión". "Deixe as escusas de mal pagador, poña os médicos que fan falta e recuperemos as urxencias na nosa vila", subliñou o parlamentario nacionalista. Porén, o responsábel de Sanidade replicou: "O problema é que non os hai, esa é a realidade que vostedes non queren afrontar. Estamos traballando co ministerio buscando máis profesionais". |
NOS_24734 | O parlamento, dominado pola dereita e extrema dereita, aprobou unha lei que permite declararen zonas prohibidas a persoas sen teito. Human Rights Watch denuncia a criminalización deste colectivo e insta ás autoridades a "facer fronte á falta de vivenda a través dunha política social e non policial". | O goberno de extrema dereita de Hungría e o seu primeiro ministro, Viktor Orbán , insisten na súa política de criminalizar as persoas sen teito . Xa en 2012 o Tribunal Constitucional de Hungría revogou unha lei similar á aprobada esta segunda feira no Parlamento húngaro pola maioría de dereita e extrema dereita contra as persoas sen teito . Estímase que só en Budapest existen 4.000 persoas sen teito e 30.000 en toda Hungría. A nova lei evoca a protección "da orde pública, da seguridade, da saúde e dos valores culturais" e dá a posibilidade ás autoridades locais de establecer zonas, sobre todo turísticas, prohibidas aos sen- abrigo, prevendo que posibles refuxios por eles construídos nestas áreas sexan destruídos. Fano por eles Hipocritamente , o goberno húngaro di que a nova lei e a criminalización dos sen teito é "sobre todo en interese das persoas sen teito", que " corren o risco de morrer de frío no inverno " se non "se abrigaren nunha casa de acollida " . O goberno de Hungría di aínda que aumentou os fondos para ampliar a capacidade dos refuxios oficiais para os sen abrigo. En marzo pasado, a maioría de dereita e de extrema dereita no poder en Hungría introduciu unha emenda á Constitución para criminalizar as persoas sen teito Tessza Udvarhelyi, da asociación 'A cidade pertence a todos"', di que " as autoridades deben axudar os sen teito , atoparlles un traballo e aloxamento digno dese nome, non punilos" e subliña que " é un problema social, non un problema penal ". Udvarhelyi acusa o goberno de mentir, cando afirma que hai lugares suficientes nas casas de acollida e anuncia que presentará denuncia ante o comisario dos dereitos fundamentais e do Presidente da República. Segundo as asociacións de dereitos humanos, as casas de acollida oficiais son sobre todo antigas vilas obreiras, en mal estado de conservación, onde a xente sen teito recelan ser roubadas ou agredidas . Infrinxir leis da UE A Human Rights Watch denuncia que o actual goberno húngaro infrinxe as leis e os valores da Unión Europea e os dereitos humanos. A organización de defensa dos dereitos humanos exemplifica co caso da criminalización das persoas sen teito. A Human Rights Watch subliña nun comunicado que os municipios " teñen agora luz verde impoñer multas , servizo comunitario, e mesmo a pena de prisión (se é condenado dúas veces nun período de seis meses ) "a persoas sen teito. Info tirada de Esquerda.net |
QUEPASA_315 | Reiníciase a actividade en obras de mellora das infraestruturas públicas promovidas polo Concello da Laracha | Este luns, efectivos da Policía Local atopaban destrozadas unhas 35 balizas de alumeado público do paseo de Caión. Alguén adicouse a destrozar cada unha das balizas da zona do paseo que comunica a praza Eduardo Vila Fano co aparcamento da praia, xunto á entrada principal ao areal, o que suporá un gasto de 15.000€ ás arcas públicas. A Policía Local iniciou unha investigación para tratar de dar coa persoa (ou persoas) responsable destes feitos, que son especialmente graves ao significar, ademais, o incumprimento das medidas de confinamento durante o estado de alarma decretadas polo Goberno. 35 balizas coma esta foron destrozadas no paseo de Caión Volven as obras Este luns volveron á actividade as obras municipais na Laracha, tralo levantamento das restricións de determinados sectores profesionais non esenciais. Volveron ao traballo os operarios que están erguendo o centro comunitario de Caión, na zona da Insua. O proxecto está valorado en total en 1,2 millóns de euros. Ademais, retomouse a actividade en localizacións da parroquia de Torás. No núcleo urbano da Laracha estase a traballar novamente na humanización das rúas e Urbano Lugrís e Emilia Pardo Bazán (antigas 2ª e 3ª travesía Eusebio Bértoa Queijo) e tamén na rúa David Mallo Gómez e o seu entorno.Outros puntos de actuación na zona rural de Torás son as estradas Cillobre-Gabenlle pola zona dos Castros e as vías Riotorto-A Barreira e Mirón-A Cachada. |
NOS_30883 | A formación que encabeza Xoan Bascuas mantén que empresas vinculadas ao narco forneceron combustíbel a hospitais de Pontevedra "entre 1991 e 1996", cando o actual presidente da Xunta era secretario xeral do departamento que depende da consellaría de Sanidade | Malia que Núñez Feijóo entregou á presidenta do Parlamento galego a información referida aos contratos e axudas que a Xunta subscribiu con empresas vinculadas a Marcial Dorado, Compromiso por Galicia mantén que o narcotraficante foi proveedor de gasóleo para a calefacción do Sergas "entre 1991 e 1996", cando o actual presidente do Goberno galego era vicepresidente deste departamento vinculado á consellaría de Sanidade. Malia apelar á prudencia e comprometerse a revisar "con detalle" a información que Feijóo entregou a Pilar Rojo, a mesma que remitiu á imprensa, o propio Xoan Bascuas, líder de CxG, afirmou en conversa con Sermos Galiza que dispón de "indicios fiábeis neste sentido". De ser así, os dados sobre contratación e subvencións outorgadas ás empresas do narco non estaría completa, pois na relación de consellarías que aparecen nos pagamentos que a Xunta fixo públicos non figura, en ningunha lexislatura, a de Sanidade. Nos dados que Feijóo entregou a Rojo non hai empresas de carburantes No tempo en que se tomaron as fotografías (1995) e no tempo en que Feijóo foi secretario xeral do departamento, daquela dirixido por Romay Beccaría, os contratos teríaos asinado a consellaría de Pesca e as axudas a consellaría de Familia, muller e xuventude. Compromiso por Galicia non detallou cales son as empresas de Dorado que fornecían material ao Sergas. No documento facilitado pola Xunta son catro as empresas que se citan, vinculadas ao narco: Mitulo, Xatevín, Efectos navales Arousa e Inmobiliaria Marli. Si que apuntou CxG que foi unha das firmas de carburantes propiedade do arousán quen cubriu o abastecemento de combustíbeis a hospitais de Pontevedra na década dos '90, "concretamente ao antigo hospital provincial". Feijóo recoñeceu unha amizade con Dorado que durou entre 1992 e 1998 -con chamadas telefónicas posteriores, no período 2001-2003, gravadas polo xuíz Vázquez Taín, e admitiu facturas por valor de 5.000 euros que corresponden coa súa primeira lexislatura á fronte do Goberno galego, entre 2009 e 2012. |
NOS_23773 | A revista Ekintza Zuzena cumpre un cuarto de século de existencia. E celébrao con palestras, coloquios, debates... en diferentes lugares de Bilbo ao longo deste mes de novembro. Acción directa, din. Tamén no pensar. | Ekintza Zuzena naceu na axitada Euskal Herria dos anos 80. Desde entón até hoxe (25 anos, 40 números) sufriu, ao igual que a sociedade vasca, importantes transformacións e variacións. Mais como el@s propi@s mateñen, "sempre tentando manter a filosofía orixinaria da autoxestión e unha liña libertaria, crítica e independente". Este mes de novembro foi o elixido para a conmemoración do aniversario: 25 anos de existencia dunha revista libertaria en Euskal Herria. Un cuarto de século no que as súas páxinas acubillaron debates do máis frutífero entre a cuestión nacional vasca e o pensamento libertario; ou sobre os novos suxeitos de acción. E moito máis: comezaron a espallar o pensamento decrecentista cando este apenas era un xérmolo para moit@s, analizaron sen medo o escenario represivo ou o ocio (mesmo o tinguidod e revolucionario) como un triunfo máis do capitalismo. Incomodaron, debateron, preguntaron, analizaron e posicionáronse. E nunca quixeron ser equidistantes. Incomodar é premisa para libertar Bilbo é a cidade onde, como se fose un comando itinerante de disedentes, este mes iranse desenvolvendo as palestras e actos de 25 urtemuga (aniversario). E os debates prometen: Sobre o feminismo autónomo, por exemplo. Ou rescatando a experiencia e a memoria das experiencias dos equipos de investigación de Egin e Ardi Beltza. Mais tamén para falar do proceso independentista catalán ou para o coloquio sob o título de 'capitalismo é crise' ou mesmo sobre o capitalismo e a saúde mental. E haberá tamén un debate en torno á traxectoria, problemas e retos do movemento libertario no que tomarán parte anarquistas galegos, vascos e cataláns. |
NOS_26203 | En Pobra de Trives, onde as lapas queimaron unha vivenda e houbo que evacuar 2 operarios, decretouse o nivel 2, xa desactivado. En Cualedro arderon máis de 420 hectáreas nun concello que en 2015 ficou arrasado pola vaga de lumes. Hai tamén lumes en Cervantes e Melón. | A vaga de incendios continúa a se estender en Galiza e eleva o número de hectáreas arrasadas desde comezos da semana pasada a máis de 7.000 e perto de 9.000 desde comezos de ano. Se na semana pasada a franxa da costa, nomeadamente o sur da Coruña e Pontevedra, foron as máis afectadas, esta fin de semana é o interior a área que está a ser especialmente golpeada polo lume. Ä media tarde do domingo comezaba un lume no concello ourensán de Pobra de Trives, na parroquia de Navea, do que tiveron que ser evacuados dous brigadistas, un deles por inhalación de fume e outro por un golpe nunha xeonllo a causa dun accidente mentres conducía unha motobomba. Ambos foron trasladados ao hospital de O Barco de Valdeorras. As lapas calcinaron unha vivenda familiar en Seixo na que residía unha muller cos seus tres fillos. Outro incendio en Ourense é en Cualedro, na parroquia de San Millao, que comezaba a primeira hora da tarde do domingo. Segundo as últimas estimacións están afectadas unhas 420 hectáreas. Na súa extinción tomaron parte 3 técnicos, 12 axentes, 35 brigadas, 16 motobombas, 3 pas, 7 helicópteros e 5 avións. Cualedro foi un dos concellos que en 2015 ficou arrasado pola vaga de incendios e onde se orixinou o maior incendio de Galiza en 2015, no que se calcinaron máis de 3.000 hectáreas. Dende as 23:20 horas do domingo está activo un lume no concello ourensán de Melón, na parroquia de Quins, que segundo as primeiras estimacións afecta unhas 50 hectáreas. Está activo tamén un incendio no concello de Cervantes, que afecta, segundo estimacións provisionais, unha superficie dunhas 30 hectáreas Catro dos cinco operarios feridos leves en diferentes lumes na provincia de Ourense foron dados de alta e o quinto permanece en Observación. A última hora do domingo, e segundo informa a Xunta, logrouse controlar os incendios de Vilardevós, que afectou 54 hectáreas, Porto do Son (que comezara a pasada cuarta feira calcinou máis de 1.000 hectáreas) ou o orixinado en Fecha, Compostela, tamén na cuarta feira e que afectou 825 hectáreas. Incendiarios En declaracións á Cadena Ser, a conselleira de Medio Rural incidiu no argumento defendido desde a Xunta durante esta vaga de incendios: os incendiarios como único motivo da vaga de lumes, marxinando calquera debate sobre xestión do monte, proxecto de territorio, abandono do rural ou falla de prevención no inverno e de coordinación nos operativos. Ethel Vázquez apoiou modificar o Código Penal para establecer maiores penas para as persoas condenadas por incendios. |
NOS_55002 | Os datos actualizados esta mañá polo Ministerio de Sanidade sobre a incidencia do coronavirus elevan os casos de persoas infectadas no territorio estatal até as 47.610 persoas, 7.937 máis que hai 24 horas. Con 738 máis falecementos na última xornada, Estado español chega aos 3.434 decesos e supera a mortalidade da enfermidade na China, onde faleceron 3.281 persoas. | A nivel global, o novo coronavirus xa superou a cifra dos 400.000 contaxios e causou a morte a máis de 18.900 persoas en todo o mundo, coa perspectiva de chegar a alcanzar esta mesma semana os 500.000 positivos se semantén o ritmo de crecemento actual. Só na China, os positivos ascenden a 81.218. No territorio estatal, Madrid segue sendo a máis afectada, con 14.597 casos e un total 1.825 falecementos, seguida de Catalunya, onde hai 9.937 casos confirmados e se rexistraron desde o inicio da crise sanitaria 516 mortes. Nas últimas dúas semanas, os territorios onde a pandemia está a ter maior incidencia son 14 días son, segundo os datos do ministerio, A Rioxa, Madrid, Navarra e Euskadi. Na Galiza, a esta hora, o número de falecementos a consecuencia da pandemia alcanza as 30 persoas, tras transcender a morte de tres pacientes infectados. Hai 1.598 casos confirmados, 412 con ingreso hospitalario e, en caso de 69, en UCI. As cifras ofrecidas desde Sanidade sinalan que 5.367 persoas infectadas lograron superar a doenza en España, 1.573 máis que na xornada precedente. |
NOS_28169 | Unha xogada de última hora e un tanto á desesperada, após os comúns ter na práctica feito un acordo co PSC. É o que tenta Ernest Maragall, o candidato máis votado o 26M. Ofrécelle a Colau rotar na alcaldía, dous anos cada un. | Antes de se abrir paso o acordo entre BeC e PSC —que para se viabilizar precisaría o apoio dos tres votos de Valls no salón de plenos— Maragall non contemplaba o escenario dunha alcaldía rotatoria por non a considerar coherente co veredito das urnas. Maragall vese agora fóra do despacho de primeiro edil da capital catalá e, nun último aceno, propón a Colau pór o contador a cero. Un bipartito ao 50% e unha alcaldía rotatoria. A oferta non ten visos de prosperar, tendo en conta que as bases de BeC están a votar neste momento nun referendo interno se pactan con ERC (sen alcaldía) ou co PSC (con alcaldía). |
NOS_23483 | Convocada pola CGT, afecta oito trens de media distancia na liña Vigo-A Coruña, dous trens Avant A Coruña-Ourense e diversas conexións con Portugal e Madrid. | Segundo calcula a central, veranse reducidos oito trens de media distancia na liña Vigo-A Coruña e dous trens Avant A Coruña-Ourense. Ademais, non circularán os trens hotel de longa distancia Galiza-Madrid, o Intercity Vigo-Euskadi nin tampouco o oito conexións con Portugal. Nun comunicado, o sindicato explica que en 2018 "suprimíronse máis de 80" convois en Galiza "por falta de maquinistas", e que polo corredor atlántico circularon "1.200 trens sen persoal de comercial e atención ao viaxeiro en ruta". A iso engade a CGT que os despachos de venda de billetes teñen "longas filas porque habitualmente hai só un traballador atendéndoas", así como que "cada vez hai menos traballadores e máis traballo" nos talleres de mantemento de trens". O sindicato tamén denuncia que servizos como o control de acceso de Ourense, o centro de servizos de Santiago e a venda de pasaxes no Barco e A Rúa (Ourense) son xestionados "por empresas privadas ante a falta de cadro de persoal ferroviario". |
NOS_4411 | Edítase un disco que compila a presentación da Orquestra Galega de Liberación no evento único que tivo lugar o 12 de setembro de 2020, no marco do festival de artes performativas Plataforma. | Para as que non estaban entre as 60 privilexiadas que puideron escoitar en directo a presentación da Orquestra Galega de Liberación, chega agora un disco homónimo que compila o evento único que tivo lugar o 12 de setembro de 2020, no marco do festival de artes performativas Plataforma. Para a fame dos corpos en directo, nesta época de crecente virtualidade, algúns dos nomes máis representativos da escena galega do jazz ofrécennos a memoria dun intre efémero, que neste caso destaca polo extra que lle outorga a dimensión improvisada, como esencia da composición. Así, das sinerxías do intre nacen dez temas instrumentais (principalmente) que nos deixan acoller por diferentes atmosferas, cos protagonismos dos instrumentos cambiando segundo o momento, sempre integrados na partitura común. Orquestra Galega de Liberación / Orquestra Galega de Liberación / 2021 / Dez pezas / 15 euros O disco abre entre os aplausos suaves do Teatro Principal de Compostela con "A Chamada", unha primeira faixa que nos arrastra, arroladas pola vibración, con suavidade a un universo sonoro de sensacións fluídas, no que as fronteiras de música e ruído esvaen sen maior prexuízo. A posibilidade de perderse, de confundirse, de facer da música unha viaxe emocional nun panorama non exento de alarma, xorde así como un convite absorbente. E como guía de escoita, atoparemos agora uns títulos das pezas reveladores, como "O que garda sempre ten", "Apuntamentos sobre o distanciamento social" ou "Be music, my friend". Cun material arranxado para a ocasión, trabállanse técnicas de improvisación dirixida, como o soundpainting, unha linguaxe de signos que se aplica á composición multidisciplinar en tempo real. Creada nos anos 60 en Nova York, o director da orquestra, o recoñecido contrabaixista Xacobe Martínez Antelo, aprendeuna e perfeccionouna directamente do seu creador, Walter Thompson. Un mecanismo que, por certo, é un dos eixos sobre os que se constrúe o último filme de Fon Cortizo, 9 fugas, estreado o pasado ano, partillando coa Orquestra Galega de Liberación algunhas protagonistas. Xunto a Antelo toman o escenario outras 15 intérpretes residentes na Galiza, vencelladas á música de vangarda, e con traxectorias que percorreron desde a música clásica até a performance: Max Gómez (batería), LAR Legido (batería), Javier Pereiro (trompeta), Olivier Cano (saxo alto), Xosé Miguélez (saxo tenor), Diego Alonso (saxo tenor), Rosolino Marinello (clarinete baixo), Rubén Fernández (voz), Sheila Patricia (voz), Antonio Bravo (guitarra), Manuel Cebrián (guitarra), Elena Vázquez (violín), María José Pámpano (viola), Macarena Montesinos (violoncello) e Saúl Puga (contrabaixo). Os seus nomes serían xa case sós unha escusa ineludíbel para explorar as reviravoltas desta singradura. |
NOS_5555 | O congreso, até este cambio de última hora, ía se facer no auditorio de NCG en Pontevedra. Xunta e PP ocultan as axendas dos altos cargos. Os populares din ser vítimas dunha campaña de acoso e presión | Rafael Louzán, presidente do PP de Pontevedra e da Deputación desta provincia galega, non volverá mañá sábado ser reelecto no cargo do partido na cidade do Lérez, como a el lle gustaría. Terá que ser en Silleda, no auditorio da Semana Verde. Un cambio de ubicación decidido a última hora. Do Auditorio de NCG en Pontevedra cidade a Silleda. O motivo do cambio, recoñecido por Louzán, é evitar a protesta dos estafados polas preferentes. Hoxe dase a coñecer a quita (entre un 10% e un 55% para os de NCG) e os ánimos estarán moi,moi quentes, sinalan desde o PP. Por iso, o mellor, é liscar. Aliás, a axenda de altos cargos da Xunta e do PP non está a ser informada, como é o habitual, por temor a atopar con protestas ou mobilizacións dos estafad@s. O que lle aconteceu ao subdelegado do goberno e conselleiro de Medio Ambiente na depuradora de Vigo (onde tiveron que saír ente un cordón policial após unha hora nas instalacións rodeados de300 afectad@s) fai que o PP tome nota. |
PRAZA_9804 | A denuncia anónima é un instrumento indispensábel para o funcionamento de todos os reximes disciplinares e autoritários. Esa é a escola que queremos? Unha escola autoritaria para unha democracia autoritaria? | Falar de censura refere algo antigo e vergoñento que acreditabamos ter superado. Preocupación acrescentada se callar coa 'lei mordaza' e a percepción, talvez errada, do devalo do pensamento crítico na sociedade. Noentanto, a maioría concordaria en que a liberdade de expresión ten sido razoábel ainda que hai tempo, non apenas aqui, percebemos un certo aperto. Velaí os procesamentos de tweets, letras de rap, exposicións, vídeos… A 'lei mordaza' é un exemplo de regresión que torna posíbel estabelecer limites que non eran aceptábeis hai pouco.A educación ficou presa no labirinto social e político do momento, en meio de falsos debates. Alén de falar sobre calquer tópico, a escola ensina a pensar? Queremos que sirva para iso ou para a produción en cadea?Unha profesora da escola de A Pontenova, acaba de receber unha séria advertencia administrativa do goberno galego por ter explicado a matemática en galego. De nada serviu que 100% dos seus alunos falasen galego, pois a instrución da Consellaria de Educación é clara: un decreto aprobado en 2010 obriga a ter aulas en español ou en inglés. Na Galiza, o Partido Popular, que se considera o mais moderado da dereita española e seu presidente é Alberto Núñez Feijóo, o arquétipo, segundo Madrid, do centrismo español. Con mais ou menos pulo hai un intento de iren eliminando as cualidades identitarias dos territorios con personalidade de seu. É óbvio que a expresión nas diferentes linguas e culturas do Estado teñen motivos para se preocupar.En tempos de negrume, todo acontece como planexado. Cando ainda non reaxíramos do escándalo, do que é mais unha mostra de degradación do modelo da España das autonomias, soubemos que no IES Punta Candieira de Cedeira hai quen non quere espazo para a poesía. Algunhas docentes e alumnas do IES cedeirense, centro educativo que a miña xeración loitou a comezo dos noventa – a asociación cultural Chirlateira e a revista Ollaparo naceran daquela goldria- denunciaran o autoritarismo da Consellaria e da direción do IES por ter aceptado e executado a retirada de poemas escritos polos estudantes nun obradoiro impartido por Carlos Negro e distribuidos en diferentes espazos do IES para que non foran esquecidos nun cartafol calquer e poideran ser lidos devagar todos os días.Poesía secuestrada na súa totalidade. Non apenas 2, 10 ou 30 palabras. Caen os verbos e os adverbios, diminui a posibilidade de expresarse. Unha censura dura, mas tamén arbitraria. Acción desproporcionada que sen dúbida deriva de vários prexuizos. Paradoxalmente, o delator acreditando no efeito beatífico da poesía e, en xeral, da literatura no mundo, dispondo a mordaza para tapar unha boca, acabou saindo polas outras. Reaxiran a imprensa e as redes, algúns comentaristas apresaranse a relatar o estado de censura do momento, sen parar a asisar que tamén foran profesores quen alertaran da censura, compañeiros daqueles outros que se callar se autocensuran ao falar nas aulas sobre relixión, política, sexo ou xustiza porque se sinten coaxidos e optan por obviar a realidade que os arrodea. Mais unha vez, a educación ficou presa no labirinto social e político do momento, en meio de falsos debates. Alén de falar sobre calquer tópico, a escola ensina a pensar? Queremos que sirva para iso ou para a produción en cadea? Que sirva para aprender a expresar o que se pensa e a pensar expresándose? En que parte do infeliz currículo ou da didáctica razoábel está planexado asisar e razonar? Poesía e filosofia poden mellorar a experiencia educacional dos alunos?Son gravísimos os discursos e os acenos adicados a atentar contra a liberdade de expresión no espazo educativo. Manipúlase a noción democracia, para insistir despois que a escola ten de preparar para ela. Mas, como Matthew Lipman di, trátase de preparar a democracia para a infancia e a adolescencia. Lipman, o criador de Philosphy for Children, apresentaba nos setenta un excelente proxecto subestimado pola administración educacional. Destacarmos apenas algúns aspectos: a escola é o lugar onde aumentarmos o interesse do aluno en entender o mundo (descobrir a si mesmo, outros, adultos diferentes; o profesor incentiva o aluno a se cuestionar, comezando a tentar descobrir que tipo de persoa quer ser; o profesor aprende dos seus alunos, non fala sobre a realidade, observa, escoita, pergunta e recolle a vida real que tran á aula; é o grupo, a comunidade de clase ou a escola, que fan perguntas e construen respostas; por controversa que for a realidade, a sua función é criar o clima de diálogo. Entendemos que o pensamento crítico é un xulgamento proposital e autorregulador que resulta en interpretación, análise, avaliación e inferencia, ben como explicación das consideracións evidenciais, conceituais, metodolóxicas, criteriolóxicas ou contextuais sobre as cales ese xulgamento se basea.O pensamento crítico ideal adoita ser inquisitivo, ben informado, confiante na razón, de mente aberta, flexíbel, imparcial na avaliación, honesto en enfrentar preconceitos persoais, prudente en facer xulgamentos, disposto a reconsiderar, nídios sobre as cuestións, ordenado nas cuestións complexas, dilixente na procura de informacións relevantes, razoábel na seleçción de critérios, enfocado na pesquisa e teimudo na procura de resultados tan precisos canto o asunto e as circunstancias da pesquisa permitiren.Hai unha primeira responsabilidade nos docentes que é fuxir do falso debate sobre doutrinación para debruzaren en que significa aprenderlle a crianzas e adolescentes a pensarSempre encontrei moi perturbadoras as persoas que teñen unha dieta ideolóxica ben balanceada e se preocupan coa vida quer moral quer sexual de seus compañeiros no planeta, até a delación (que é tanto ou máis preocupante que o propio actor censor) como se ambas as cousas prolongasen suas vidas ou, o que é moito pior, que as levarian diretamente ao ceu. Persoas que se senten lexitimadas para dicer o que é normal e o que non é, mutando a súa ascendencia, calquer que for, en posición de poder belixerante contra os outros. A acubillo do anonimato, alimentan o troll lanzando o seu xuizo inapelabel, pois só eles son testamenteiros das paixóns.Hai unha primeira responsabilidade nos docentes que é fuxir do falso debate sobre doutrinación para debruzaren en que significa, de maneira planexada e permanente, aprenderlle a crianzas e adolescentes a pensar. Aprenderlle algo alguén comenza sempre pola escoita activa. Que caste de xordeira fomenta o aceno autoritario a instancia da abstracta e impersonal administración educativa? Debe ser moi frustrante, ao saberse inxénuo, que un membro anónimo da comunidade educativa axira para que a poesía fose retirada, mas tamén que a direción do centro o aceptara.A denuncia anónima é un instrumento indispensábel para o funcionamento de todos os reximes disciplinares e autoritários. Esa é a escola que queremos?A denúncia anónima é un instrumento indispensábel para o funcionamento de todos os reximes disciplinares e autoritários. Esa é a escola que queremos? Unha escola autoritaria para unha democracia autoritaria?Hai un ano, o PP de Catalunya e o País Valencià propós a criación de caixas de correo anónimas para reclamar de supostos casos de doutrinación as escolas, de modo que quen quiser podese reclamar sen dar seu nome ou a cara de casos alegados de doutrinación e ou intimidación. Repárese que o verso chave no caso do IES Punta Candieira é aquel onde se di "odio España", o significado do resto de versos que deitan luz sobre o sentido de todo o poema e que a falta de descodificador automático o renegado delator optara pola codificada delación. Mas é asín que axe a poesia e a arte, coa sua gramática e suas convencións. É por iso que quen ignora as condicións de existencia de un texto ou de unha produción artística tórnaselle impensábel, imposíbel, entender seu significado e escopo. Debeu pensar que o poema incitaba ao odio. Español, claro. Porque o poema afirma odiar outras moitas cousas, en primeira persoa e alomenos 25 veces, nunha especie de bucle que comeza dicindo "odio que todo empece por "odio que".Que coñecimento se quer descualificar ao falar desde o lugar da denuncia anónima? Desde o tensionamento descarnado das relacións de poder, da autoridade, de quen preferindo a legalidade á moralidade non respeita a dignidade nen concede elementar proteción da identidade e subxetividade de estudantes e profesores.Hai un ano, o PP de Catalunya e o País Valencià propós a criación de caixas de correo anónimas para reclamar de supostos casos de doutrinación as escolasHai que aprender a lingua, porque o poema debruza nela, quer para dicir, quer para suxerir. O feito é que o leitor, o intérprete, non nace, faise construindo xuizo e manufaturando a sensibilidade e o gosto. E iso é alcanzado así que aceitamos que debemos aprender a xulgar, quer unha pintura ou un poema, quer un texto de filosofía. A arquitectura do siso leva tempo, precisa da perífrase e do erro. A escola debería desempeñar ese papel devagariño. A delación, pola contra, axe coa celeridade e urxencia de quen acredita ter alcanzado a verdade, inoculando, aliás, a crenza na autoridade superior na casa, no tribunal, na escola, no Estado….base do princípio do comportamento esperado polo método de recompensa e punición.No eido do dereito penal, a denuncia dun acto criminoso por parte de calquer cidadá xa é unha posibilidade e, para algúns, unha obriga cívica. Cousa ben diferente é que non só se denuncien feitos criminosos mas irregularidades administrativas. Agás algunha excepción, como os crimes ecolóxicos, é cuestionabel a eficiencia deses procesos delirantes. Cando iso acontecer, a partir do momento en que é necesario que sexan os cidadás que sinalen os comportamentos irregulares, é que o sistema de control do poder executivo fallou. E estaríamos embarcando nunha cultura de denúncia, que está aumentando e que xera relacións de desconfianza, como se houber presunción de culpa e non de inocencia. A "ineficiencia" das autoridades para enfrentar suas responsabilidades ten o seu correlato nos centros educativos en forma do que Foucault denominaba dispositivos de control social, institucións punitivas. Porque non se trata de arrogarse apenas dereitos ou unha liberdade integral que desleixe todo compromiso de deber. O autoritario só ten dereitos, o escravo apenas deberes. Por iso, para reactivar as virtudes democráticas cómpre reactivar o diálogo concertado das partes sen ter que pagar o alto prezo de que a administración se arrogue todos os dereitos.Cidadás espias ou cidadás colaboradores? Coa proliferación e aceptación de mecanismos para denunciar ou divulgar desacordors e infracións estase a xerar unha "cultura da delación" que non ten nada que ver coa manifestación de desacordo ou con dicir non, e moito coa simples pulsión disciplinaria-mesmo coa comenencia persoal- que só sirve para manter caladiños. Afinal, non temos medo de que os adolescentes pensen, mas que pensando, lembrarnos aos adultos que perdemos o siso.Como todo delator sabe, a poesia é a boca da linguaxe, e a linguaxe ten un valor semántico, que é precisamente o que é mais traducíbelEn calquer caso, a escola non pode alicerzar a súa tarefa no "control" mas na escoita e no diálogo confiante, ben informado e crítico. Nen é edificante apelar para os piores instintos que os seres humanos poden ter: a delación. Dar información anónima á "autoridade" sobre a forma na que os alumnos e profesores se expresaran nun obradoiro de poesía é en si mesma indefendibel e reclama da conciencia o dereito moral de se rebelar se a censura que non escollemos nos parece inxusta e desproporcionada. Porque é mesquiño e perturbador utilizar a dica anónima para da cabo desa cousa inútil e non mesurabel que é a poesía. Porén, como todo delator sabe, a poesia é a boca da linguaxe, e a linguaxe ten un valor semántico, que é precisamente o que é mais traducíbel.Ficou clara a mensaxe intimidatoria do denunciante. Mas tamén da insubornábel lección dos estudantes que perseveran na que, para Nietzsche, é a tarefa do pensamento: prexudicar a necedade. Que lección de dignidade! |
NOS_13877 | "Imposición lingüística eres tu" parafrasea a Bécquer a presidenta de Galicia Bilingüe para despedir a Carlos Callón, no post do seu blog que titula "Bye bye Carlos Callón, que rimas con imposición". | "Din agora que deixa a entidade defensora da imposición porque quere volver a súa vocación como docente. E eu pregúntome por que non o terá feito antes", sinala Gloria Lago, a presidenta da asociación Galicia Bilingüe que ten como obxectivo a loita contra a normalización lingüística. Refírese Lago aos debates con Callón, nos que se confesa invadida dunha "inmensa tristura despois de telo soportado" e ao chegar a casa di que se tiña que "chutar" "varias dosis de Händel para recuperar" a súa "confianza na humanidade". E se volve? "E se descobre que o ensino non lle gusta e volve?" pregúntase Lago, nun texto inzado de ataques persoais como os que Galicia Bilingüe promove contra as persoas que defenden a normalización lingüística. Lembra os ataques da súa asociación contra a Mesa e, en especial, que "se sacaran a luz os métodos de presión de A Mesa cara directores de colexios e pequenos empresarios" que foi, para a asociación, segundo di "algo demoledor", como o artigo publicado por Manuel Romero "Hai una carta para ti", ao seu ver "clave" na súa campaña de acoso á Mesa. "A partir de entón decidiron crear unha plataforma chamada Queremos Galego para manter A Mesa na retagarda unha tempada mentres escampaba", interpreta, malia recoñecer que Callón era tamén voceiro da plataforma. Recoñece a negativa de apoio público á asociación cultural máis numerosa do país por parte da Xunta como a resposta a "unha das poucas promesas que me fixo Feijóo e que finalmente cumpriu". "Chegoume onte ao correo a mensaxe dunha persoa que me dicía que non agardaba que o substituto de Callón fora mellor ca el. Tal vez así sexa, mais isto é como cando curas unha gripe, xa sabes que non será a última mais que satisfacción saír á rúa e gozar do aire puro mentres dura a saúde!", conclúe Gloria Lago, nun texto no que non aforra ataques persoais ao até agora presidente da Mesa. |
PRAZA_13923 | Presenta aos sindicatos un plan de reactivación que pretende incentivar as oficinas que manteñan os saldos de pasivo. As centrais rexeitan as medidas e critican as "ameazas" da dirección e o intento por "botar a culpa dos problemas a quen non a ten". | Novagalicia Banco ofrece incentivos aos seus traballadores para frear a fuga de clientes que está sufrindo a entidade nos últimos meses. Así llelo manifestou aos sindicatos a dirección de NCG nas últimas xuntanzas mantidas cos representantes de CCOO, UGT, CIG e Csica e pola que Comisións manifestou o seu rexeitamento nun duro comunicado. "Intentan botar a culpa da marcha dos clientes a quen non as ten; "Intentan dar recompensas ante o deterioro dos saldos de pasivo provocados pola marcha de clientes; intentan deter esta fuga e non se lles ocorre outra cousa que ofrecer incentivos mensuais e semestrais no caso de que as oficinas sexan capaces de manter os saldos de pasivo do mes ou do semestre anterior", explican a Praza fontes sindicais, que rexeitan as "ameazas" que se verteron nesas xuntanzas por parte da dirección, así como as medidas que consideran un "intento por botar a culpa dos problemas a quen non os provocou". Novagalicia quere premiar con 500 euros a cada un dos traballadores das oficinas que manteñan os saldos de pasivo Concretamente, e tal e como aclaran as mesmas fontes, os incentivos consistirían en 500 euros por persoa a cada unha desas oficinas premiadas. Este plan de reactivación establece unha especie de clasificación de oficinas e dous tipos de incentivos. O primeiro, mensual, aplicaríase ás 30 oficinas con mellores resultados, mentres que o segundo, semestral e que abrangue até decembro de 2012, incentivaría as 50 mellores oficinas. "Queren dar a impresión de que teñen que premiarnos con cartos para que traballemos, cando non é así" "Queren dar a impresión de que como, ao parecer, non traballamos o suficiente, teñen que premiarnos con cartos; as cousas non son así, porque hai xente que bota na oficina desde as oito da mañá até as nove da noite", engaden as fontes sindicais, que advirten que xa lle amosaron a súa disconformidade coa proposta á dirección da entidade, así como ao presidente, máis aínda cando moitos dos traballadores "están pendentes dun cuarto ERE na entidade". "A marcha de clientes non é por culpa dos traballadores, senón por problemas como o das preferentes" Ademais, estas mesmas fontes insisten en que a marcha de clientes - "moitos deles de toda a vida", aclaran- non é debida á falta de implicación nin esforzo dos traballadores, senón "a outras moitas cousas, principalmente ao problema das preferentes, que debería ser o que se arranxase máis rapidamente". "A dirección debe asumir as decisións equivocadas; é indignante que centren os seus problemas nos traballadores", aseguran, tras advertir da "segunda lectura" deses incentivos, que tamén foi insinuada na última xuntanza: "Haberá cambios se non se cumpren os obxectivos". Xa que logo, as centrais temen represalias en forma de despidos. "Antes a xente viña as oficinas e plantexábache os seus problemas; agora chegan e din que marchan a outro banco e punto", explica un traballador, que recoñece que día a día son varios os clientes que abandonan Novagalicia Banco e meten os seus cartos "no Santander ou no BBVA". Traballadores de NCG, Santander e BBVA recoñecen a marcha masiva de clientes cara a estas dúas últimas entidades Precisamente, traballadores de oficinas do Santander e do BBVA en Galicia confirman a Praza que cada día gañan "clientes procedentes das antigas caixas sen facer nada". A marcha masiva de clientes preocupa en Novagalicia, que non hai moito lanzou unha gran campaña publicitaria na que pedía desculpas polos erros do pasado e que intenta arranxar a través da arbitraxe os casos máis escandalosos da estafa das preferentes. |
PRAZA_6364 | Un estudo da unidade de Psicoloxía Preventiva da UCM con adolescentes de todo o Estado advirte da importancia das idades temperás para erradicar as agresións de xénero. Mozos e mozas aínda están excesivamente expostos a "consellos" prexudiciais, como os que identifican os ciumes co amor. | "Os consellos, modelos e experiencias vividas na familia" exercen, xunto ao "decisivo papel da escola", unha "grande influencia na aprendizaxe da violencia de xénero ou da súa antítese: a igualdade e o respecto mutuo". É unha das premisas nas que se apoia o estudo que, encargado pola Delegación do Goberno central para a Violencia de Xénero e elaborado dende a Unidade de Psicoloxía Preventiva da Universidade Complutense de Madrid, realizou hai poucos meses unha completa radiografía en todo o Estado sobre a percepción existente sobre o machismo e as agresións machistas entre a infancia e a adolescencia. Entre outros moitos aspectos o traballo identifica cando menos cinco mensaxes que, a xeito de supostos "consellos", alimentan a tolerancia, a xustificación ou o exercicio da violencia machista no futuro. A "plasticidade" do ser humano é "máxima nas primeiras idades", polo que, ao xeito da aprendizaxe dos idiomas, "os modelos e expectativas sociais básicos, entre os que se atopa o sexismo e a súa antítese, a igualdade, unha vez aprendidos tenden a mantérense". Estas pautas de comportamento fan que nenos, nenas e adolescentes lle poidan "dar significado ao mundo social e emocional propio e alleo", xulgar "como axeitado ou inaxeitado o comportamento dos individuos" e tamén no que se "pensa, se sente e se fai". Así as cousas, a presenza habitual destas mensaxes que, querendo ou non, fomentan o machismo, é especialmente relevante e perigosa. O propio estudo acredita que estes "consellos" son escoitados nestas idades temperás cunha frecuencia nada desdeñable. Mensaxes escoitadas a cotío ou moitas veces Homes Mulleres "Se alguén che pega, pégalle ti" 36,71 20,87 Para ter unha boa relación de parella debes atopar a túa 'media laranxa' e así chegar a ser como unha soa persoa 54,14 54,48 Os ciumes son unha expresión de amor 36,82 35,77 Para ter unha boa relación de parella convén que o home sexa un chisco superior á muller en idade, nos cartos que gaña... 9,04 8,5 As mulleres deben evitar levarlle a contraria ao home ao que queren 5,7 4,02 Aínda que constatan certos avances a respecto da anterior edición do estudo, elaborada en 2010, os autores desta investigación advirten de que aínda é relevante a porcentaxe de rapaces, moito maior que entre as mozas, aos que se lles "aconsella" agredir cando reciben unha agresión física. Os expertos e expertas ligan estes consellos co feito de que constatasen que "a porcentaxe de mozos que xustifica a violencia como forma de solución de conflitos sexa o triple ou máis que o de mozas", unhas crenzas que "están estreitamente ligadas co estereotipo masculino tradicional", o cal "pode conducir a todo tipo de violencia, incluída a de xénero". Case o 40% dos e das adolescentes escoitan na casa que os ciumes son unha "expresión de amor" Deste estudo tamén se tira que nos consellos da contorna familiar dos e das adolescentes que se vinculan directamente ao amor tamén permanecen os estereotipos e actitudes machistas. "Aumenta lixeiramente a porcentaxe de adolescentes que escoitan con frecuencia a mensaxe "os ciumes son unha expresión de amor", algo que din escoitar máis do 36% dos mozos e máis do 35%, no caso das mozas. "O feito de que se incrementase este consello" en poucos anos "pode indicar un descenso na conciencia" de que os ciumes "forman parte do control abusivo", un control que, salientan, na actualidade non só se exerce presencialmente, senón tamén a través de instrumentos tecnolóxicos como as redes sociais ou o teléfono móbil. As mensaxes que alimentan a igualdade Fronte a estas mensaxes prexudiciais o estudo identifica outras que van na dirección xustamente contraria, a da igualdade. "Se alguén quere pelexar contigo convénceo de que hai outro xeito de resolver os problemas" ou "unha boa relación de parella debe establecerse de igual a igual" son consellos que tamén están presentes na vida da "maioría dos e das adolescentes", se ben, advirten, "a énfase familiar na igualdade e nas formas non violentas de resolución de conflitos diríxese máis ás mozas". "A énfase familiar na igualdade e na non violencia diríxese máis ás mozas" Así, mentres "os mozos escoitan con máis frecuencia ca elas os consellos que conducen a utilizar a violencia de forma reactiva", as mozas están estatisticamente "sobrerrepresentadas entre quen din escoitar que unha boa relación de parella debe establecerse de igual a igual". É tamén entre as mozas onde son máis crecuentes "os consellos de non violencia". Por todo isto, explican os expertos en psicoloxía preventiva que elaboraron este informe, cómpre facer énfase dende todos os ámbitos, tamén dende as institucións públicas, na "necesidade de sensibilizar as familias sobre as vantaxes que a igualdade e a non violencia representan tamén para a educación dos homes do século XXI". |
NOS_10730 | O alto tribunal suspende o réxime de semiliberdade outorgado a Carme Forcadell previo a lograr o terceiro grao. | O Tribunal Supremo (TS) español considera que o permiso penitenciario para saír a traballar outorgado á presa independentista e ex presidenta do Parlament de Catalunya, Carme Forcadell, carece de xustificación. Así mesmo, na súa resolución da quinta feira, 23 de xullo, o alto tribunal estabelece que a competencia para resolver os recursos de apelación do artigo 100.2 do regulamento penitenciario (grazas ao que Forcadell gozou de réxime de semiliberdade antes de serlle concedido o terceiro grao) é do propio tribunal que sentenciou,ou sexa, do propio Supremo. Desta maneira, o auto sostén que a competencia para decidir a clasificación das e dos presos é o tribunal sentenciador, neste caso o TS, feito que abre a porta a que os seus maxistrados tamén acaben decidindo e quizais suspendendo os terceiros graos que foron concedidos ás presas e presos do procés e que a pasada fin de semana comezaron a desfrutar. Foi o Xulgado de Vixilancia Penal de Lleida quen aprobou a aplicación do artigo 100.2 a Forcadell, condenada a 11 anos de prisión por un delito de sedición. Porén, o auto do TS, do que é relator o xuíz do procés Manuel Marchena, estima o recurso presentado pola Fiscalía e revoca para Forcadell a aplicación do 100.2 "por falla de xustificación e desconexión coa reinserción". Considera así o TS que non hai ligazón entre o programa de tratamento aprobado, consistente en tarefas de voluntariado e acompañamento a un familiar fóra da prisión, coa reinserción. Con todo, polo de agora, Forcadell, si poderá gozar do terceiro grao que lle foi concedido alén do 100.2. "Non me sorprende, deste tribunal non espero xustiza, sei que é vinganza", escribiu nun chío Carme Forcadell, ao tempo que alertaba da intromisión do TS alén das súas funcións, recalcando que a competencia sobre a aplicación do artigo 100.2 do Regulamento Penal que permite saídas para traballar e facer voluntariado "é competencia" da Audiencia Provincial e non do Supremo. Un xuíz investiga até 169 cataláns O titular do Xulgado de Figueres (Catalunya) investiga até 196 persoas polo bloqueo, nun acto do movemento Tsunami Democràtic, da fronteira con Francia. As 169 persoas están a ser investigadas por presuntos delitos de "desordes" e "danos" durante o corte da autoestrada ao longo dos días 11 e 12 de novembro de 2019, após coñecerse a sentenza condenatoria aos líderes do procés. Ante esta situación e logo de que o Tribunal Supremo (TS) se declarase competente para decidir sobre os permisos penitenciarios das persoas que o propio TS condenou no xuízo do procés, o president da Generalitat, Quim Torra, fixo un chamamento ao "salto colectivo de todo o independentismo, tanto institucións como sociedade civil". Asegurou Torra que o feito de que "no Estado español ningún independentista poida atopar xustiza é algo que xa se sabía. Que España non recoñecerá o dereito á autodeterminación, tamén. E entón? Entón todo depende do salto conxunto de todo o independentismo", aseverou o president catalán. |
NOS_58026 | A finais do ano pasado creouse AISGAL, a Asociación Italiana de Estudos Galegos, cuxo obxectivo é difundir o estudo da nosa cultura. Está presidida polo profesor da Università degli Studi di Roma La Sapienza, Attilio Castellucci. | Tal e como afirma o propio Castellucci, "estamos convencidos de que a AISGAL vai cubrir un oco que non podía permanecer baleiro máis tempo. O noso país presume, probablemente, da tradición máis antiga de Estudos Galegos no mundo; incluso sen querer considerar que os principais códices que nos transmitiron a lírica medieval foron mandados copiar por un humanista italiano, Angelo Colocci, os estudos sobre a literatura galega, ou galego-portuguesa, comezan en Italia". Castellucci: "O noso país presume, probablemente, da tradición máis antiga de Estudos Galegos no mundo" Coa creación de AISGAL "queremos promover e favorecer no noso país, pero non só, a difusión da lingua e da literatura galega, a través da formación, a investigación científica e a instrución". Asemade, queren ser "punto de referencia obrigado para os estudos e as iniciativas relacionadas co galego en Italia e ser o referente privilexiado italiano nas relacións coa Xunta de Galicia". En Italia hai dous centros galegos: o de Roma desde 1999 e o de Padua desde 2001. Desde AISGAL manifestan a súa intención de traspasar o mundo académico e dar a coñecer a cultura galega no seu país. "A referencia é a moita literatura que, escrita en galego e traducida do galego, moitas veces se difunde como española. Polo tanto, por unha banda, queremos involucrarnos nun esforzo de difusión entre os lectores, para aproximalos a unha nova literatura e a un novo escenario cultural; e pola outra banda, queremos, agora máis que nunca, ser un impulso para os editores, dándolles a coñecer esta nova cultura primeiro a eles coa esperanza de levalos a publicar e difundir un número cada vez maior de obras galegas no noso país", explica Castellucci. |
NOS_18153 | Desde a CIG Saúde reclamaron á xerencia da área sanitaria de Compostela que se lles fagan contratos "estábeis" mentres dure a crise sanitaria polo coronavirus a todas as profesionais contratadas nestes días. Após a denuncia pública das afectadas, o Sergas recúa. | O Sergas está a prescindir de profesionais sanitarias contratadas para as plantas de pacientes con COVID-19 ao ver que diminúe o número de enfermos e baixa un pouco a presión asistencial após manter a esas profesionais traballando baixo un estrés moi superior ao habitual. Así o denuncian diferentes colectivos, como Prosagap Sindicato de Profesionais da Saúde de Galiza) ou CIG Saúde. Este sindicato reclama que se realicen contratos "estábeis" para todas as profesionais sanitarias durante a crise do coronavirus e cesen a dinámica de renovar cada 15 días uns contratos en precario que lles serven para tapar o que en condicións normais son despedimentos. Estas profesionais estaban a traballar en plantas COVID-19 e tiñan asinada unha ampliación do seu contrato ata o 30. Onte mesmo se lles comunicou que ditas ampliacións quedaban anuladas de forma unilateral (Prosagap) "Reforzaron as áreas de COVID-19 con máis persoal e agora teñen menos pacientes. Até o de agora traballouse con moitísimo estrés e moita carga asistencial. É lamentábel prescindir do persoal en lugar de permitir que se preste unha mellor atención ás pacientes", asevera a secretaria nacional da CIG Saúde, María Xosé Abuín, a Nós Diario. Na mesma liña está a denuncia do sindicato Prosagap (Profesionais da Sanidade Pública Galega), que esta quinta feira enviou un comunicado denunciando que a xerencia da área sanitaria de Compostela rescindiu o contrato de varias profesionais que xa tiñan asinada unha prórroga por outros 15 días. "Estas profesionais, a maioría de enfermaría, estaban a traballar en plantas COVID-19 e tiñan asinada unha ampliación do seu contrato desde o 16 ata o 30. Onte mesmo se lles comunicou que ditas ampliacións quedaban anuladas de forma unilateral", explican desde Prosagap, que aseguran que a xerencia lles respostou: "Neste momento sobra xente, pero non desbotamos que nuns días teñamos que volver chamar". É lamentábel prescindir do persoal en lugar de permitir que se preste unha mellor atención ás pacientes (CIG) Contratos eliminados Xosé Manuel Marcote, secretario comarcal da CIG Saúde de Compostela salienta en conversa con Nós Diario que esta práctica do Sergas non é nova, comezou "cando se intensificaron os recortes". "Os contratos de acumulación de tarefas lle serven ao Sergas para todo", explica. De feito, Marcote confirma que o Sergas foi máis aló e chegou a "borrar" do seu programa interno de xestión "contratos asinados" á vez que se comunicaba á profesional en cuestión que ese contrato quedaba rescindido. Desta maneira, o contrato non figura no sistema e non se pode demostrar esa rescisión. CIG Saúde critica que a xerencia de Compostela pretende "ir parcheando" en lugar de manter ao persoal e rotalo en diferentes servizos para evitar "queimalo". "Están exprimindo á xente contratada e non pensan nos riscos psicosociais que iso ten no persoal, aínda que recoñecen que a xente está nerviosa", abunda Marcote. AS denuncias tiveron efectos eo Sergas recuou nas súas intencións. |
NOS_24419 | Piden que a súa reunión con Sánchez non se limite a "tirar unha foto" e agardan saír dela cun compromiso para retomar o operativo de busca. | As e os familiares dos doce mariñeiros desaparecidos após o naufraxio do 'Vila de Pitanxo' reclamaron esta segunda feira de novo ao Goberno estatal que active as xestións precisas para retomar o operativo de busca e que o faga cando antes, dada a previsión de temporal na zona a partir da cuarta feira. Aliás, pediron, mentres non se despregan efectivos na zona, que se compense economicamente ás armadoras dos pesqueiros que están a faenar alí para dedicárense dedicarse exclusivamente a labores de rastrexo. Así o explicaron os familiares tanto á entrada como á saída dunha reunión que mantiveron coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e que cualificaron de "demoledora" pola falta de avances e de resposta ás súas peticións. María José Pazos, filla dun dos desaparecidos, subliñou que esta segunda feira, día de loito oficial a nivel estatal, é "un día crucial" para retomar a busca, xa que se prevé unha borrasca na zona a partir da cuarta feira que dificultaría ese rastrexo. "Estamos en tempo de desconto", insistiu, e imploroulle ao presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, co que prevén reunirse esta tarde —coa hora sen concretar, debido ao atraso na chegada do avión que trasladará de volta aos sobreviventes e aos falecidos cuxos corpos foron recuperados— que dea a orde para enviar efectivos. A respecto diso, as familias entregaron unha carta á subdelegada para que lla faga chegar cando antes a Sánchez, na que reclaman non só que se renove a busca, senón tamén que envíen medios para que, "cando sexa seguro", se poidan facer inmersións e rastrexos submarinos. "Pedimos ao presidente que non descargue a súa responsabilidade a respecto das doce persoas que están no fondo do mar, ou onde estean", afirmou, e denunciou que esta terza feira cumprirase unha semana do naufraxio e as familias seguen reiterando as súas peticións "en bucle". "Sentímonos decepcionados, abandonados, defraudados; non sabemos que facer", proclamou. "Basta de mentiras" Precisamente, as familias aseguraron que están en contacto con pesqueiros galegos que se atopan na zona "e din que o tempo é normal". "Canadá segue a dicir que hai mal tempo [para xustificar que non se retome a procura] mais é mentira; non nos poden mentir máis, non somos ignorantes", lamentou Carolina Alcántara, esposa do mariñeiro desaparecido Jonathan Calderón, quen afirmou que hai unhas horas conseguiu falar con outro mariñeiro que se atopa faenando na zona. Segundo explicou esta muller, as familias saíron "sen respostas" da reunión na Subdelegación, que "foi a pinga que colmou o vaso", e expresou o seu desexo de que o encontro co presidente Sánchez sirva para avanzar nas súas reclamacións e non para tomar "unha foto". "O día que saian os barcos de España a buscalos, veremos se tiramos a foto", advertiu. "Decisión tomada" Por outra banda, o pastor evanxélico Julio Torres, achegado dun dos sobreviventes —o marinense Samuel Kwesi—, manifestou as súas sospeitas de que a procura non se renovou porque hai xa unha "decisión tomada" de que non se faga. "Se non está tomada, é moi difícil de entender que non os vaian buscar", apuntou. Torres tamén cuestionou algúns dos argumentos trasladados ás familias sobre o atraso nos rastrexos, como a zona do naufraxio, e lembrou que se trata de augas internacionais, onde o Estado español poderían actuar. "A decisión é do que ten a responsabilidade, e é o que ten que asumila. Atrévase a dicir que non van ir buscalos, e así as familias non terían que estar a facer isto", proclamou. Na mesma liña, María José Pazos volveu urxir o Goberno a "dar a orde" de compensar aos pesqueiros na zona para seguir buscando sen dilación. "Pero que non nos estean dicindo desde a semana pasada que o están valorando, e que o Canadá non deixa entrar os barcos, porque é mentira. Existen convenios internacionais de auxilio. Somos xente de mar pero sabemos ler, preguntar e asesorarnos", resolveu. |
NOS_49183 | Participarán no festival 'París ne finit jamais', do 15 ao 30 de xuño | O director de cinema Oliver Laxe e a directora de escena Marga Pazos participan no festival Paris ne finit jamais xunto a outros grandes nomes de 12 nacionalidades diferentes, como Muñoz Molina, Jean Luc Nancy, Gioconda Belli, Juan Villoro, Isabel Coixet, David Trueba, Raúl Zurita, Bernardo Atxaga ou Brigitte Vasallo. Trátase da primeira edición deste encontro literario virtual e multiplataforma que organiza DALIA, asociación dedicada á promoción das linguas e culturas iberoamericanas, coa poeta Yolanda Castaño, como directora de arte, e o profesor Gonzalo Vázquez, como director. A cita dará comezo a vindeira segunda feira 15 de xuño e prolongarase até final de mes. Durante dúas semanas, sempre ás 19.30 horas da cidade de París, até 25 autoras e autores das letras internacionais transitarán por campos afíns como a literatura, a filosofía, o teatro e o cinema, co gallo de tecer unha rede de coñecemento transversal. Todas as intervencións serán moderadas por un especialista na materia pertinente. As conferencias serán accesíbeis a través de YouTube, Facebook, Twitter e Instagram, en streaming e de balde. Presenza galega Será o filósofo Jean Luc Nancy o encargado de inaugurar o festival, cunha reflexión sobre a idea da literatura no pensamento contemporáneo. En canto á intervención galega, Laxe partillará o 26 de xuño espazo coa tamén directora Isabel Coixet, en "O arco sobre a estrela: Cultura cinematográfica desde París", conducido por Marta Álvarez. da Universidad de Franche-Comté. Marta Pazos intervirá como poñente única en "As mulleres sabias da escena contemporánea" o 17 de xuño, como unha das renovadoras do teatro contemporáneo. |
NOS_13981 | Pediralle á Comisión Europea que ditamine se o proceso de compravenda das participacións preferentes cumpriu a normativa en materia de produtos financeiros en vigor na UE. | Após unha reunión en Vigo con representantes de afectados de toda a Galiza, a eurodeputada Ana Miranda, o deputado Henrique Vieitez e o voceiro municipal nacionalista en Vigo, Santi Domínguez, indicaron que presentarán unha iniciativa parlamentar á Eurocámara, que tamén demandará ao Executivo europeo que concrete que medidas adoptar para garantir que as persoas afectadas (100.000 en toda Galiza, 43.000 no caso de NovaGalicia Banco), recuperen os aforros. O Bloque cualificou de "inadmisíbel" que a Xunta lle presente á Comisión a arbitraxe, unha proposta que non garante a devolución íntegra dos depósitos. "É impropio dun Goberno ir a Bruxelas defender unha fórmula que non defende os intereses dos galegos e galegas afectados, senón das entidades financeiras", denunciou Miranda. Pregúntalle ao Executivo da Xunta que aclare en que consiste esa arbitraxe., agardando "que non consista en que os afectados renuncien a parte dos seus cartos ou que os troquen por outros produtos financeiros de dubidosa rendibilidade" Tamén solicita que se pronuncie a respecto de que NovaGalicia Banco reciba millóns de euros públicos a través do FROB sen que, en troca, se exixa como contrapartida garantías para os depositarios, e tamén ante o feito de que un Estado membro, como España, anuncie o rescate dunha entidade como Bankia, cun desembolso de recursos públicos cifrado en 20.000 millóns de euros, mentres é incapaz de dar unha solución política para os afectados pola compravenda das participacións preferentes. O BNG considera que tanto a Xunta, así como os organismos de control, -Banco de España e Comisión Nacional do Mercado de Valores-, fixeron "deixación de funcións" no caso da compravenda de participacións preferentes. "Nin foron quen de garantir que os aforradores tivesen a información necesaria e con transparencia para non ser enganados", denunciou Viéitez. Transmitiulles tamén ás plataformas de persoas afectadas que seguirá coa súa ofensiva política en todas as institucións que foren necesarias para que puideren recuperar os depósitos. |
PRAZA_1030 | O PSdeG de Amoeiro denuncia e achega vídeos ante a Xunta Electoral nos que se proba como o PP fai campaña en xeriátricos, ofrece notarios de balde para facilitar o voto ou utiliza unha ampla rede de contactos na Administración para carretar as papeletas de maiores impedidos. | É unha vella práctica coñecida desde anteriores campañas electorais. A carretaxe. O Partido Popular, non poucas veces coa axuda das monxas que rexentan as residencias de anciáns, pon a pleno rendemento toda a maquinaria electoral para trasladar votantes da terceira idade en taxi ou en autobús, voto en man, até a propia urna, ou facilitar notarios "dos nosos" nas casas de anciáns impedidos para que voten por correo. Ao PP, por suposto. Ante casos similares ocorridos nas recentes eleccións ao Parlamento Europeo, como denunciaron os partidos da oposición en Valencia, os socialistas temen que os malos datos que as enquisas prevén para o PP nos comicios de maio provocase unha orde xeral desde Génova a toda a súa militancia para carrexar "por todos os medios" ese voto cativo. O PSdeG de Amoeiro presente unha demanda ante a Xunta Electoral con vídeos que proban a "carretaxe" de anciáns impedidos Este luns os socialistas de Amoeiro (Ourense) presentaron unha denuncia ante a Xunta Electoral por un posible delito electoral cometido polo PP da mesma localidade. Para iso achegaron dous vídeos, gravados polo candidato socialista Rafael Rodríguez Villarino. No primeiro deles, a administradora dunha residencia de anciáns conta como tres traballadoras do Concello (dous auxiliares de axuda no fogar e unha administrativa), que á súa vez se presentan nas listas do PP, recomendábanlle que facilitase o voto por correo dos anciáns ao seu cargo, co fin de orientar o seu voto. E todo iso, en precampaña. A administradora dunha residencia conta como tres traballadoras do Concello -e do PP- lle recomendaron facilitar o voto por correo dos anciáns Parece que vén de familia. Ou de familias. O candidato a esa alcaldía polo PP está colocado de asesor do fillo de José Luis Baltar, o ex presidente da Deputación de Ourense, condenado hai uns meses por un xuíz a nove anos de inhabilitación por enchufar a dedo a 104 persoas na Deputación ourensá na o ano 2010. O candidato de Amoeiro é "asesor" de Baltar fillo, quen saía co seu pai en anteriores campañas electorais cantando aquilo tan bonito e melodioso: "si no eres del PP, jódete; si no eres del PP, te vuelves a joder". Baltar pai tocaba o trombón. O fillo, o herdeiro do cargo, ao que hoxe asesora o candidato do PP de Amoeiro, batía nun enorme bombo co entusiasmo dun neno grande. O candidato do PP en Amoeiro é asesor de Baltar fillo A administradora da residencia do Cerval, María Manuela Dias da Costa, un núcleo de Amoeiro, denuncia que a administrativa e candidata do PP Beatriz Álvarez Pérez, acompañada das traballadoras de axuda no fogar Silvia Gómez Manso (tamén candidata) e Natalia Vázquez Rodríguez (irmá doutro candidato do PP), ofrecíanse a proporcionar gratis notarios "do partido", insinuando que para iso era necesario que votasen á súa formación política, pois advertían que, pola contra, os gastos de notario ascenderían a 50 euros. Para enriquecer a oferta daban a entender que a esposa dun dos médicos do centro de saúde de Amoeiro, María Ángeles González Bayón, tamén candidata da súa formación nos próximos comicios, facilitaría que o seu marido estendese sen problemas certificados que xustificasen o estado de saúde dos anciáns para que puidesen votar por correo. Todo son vantaxes e facilidades. Un equipo electoral perfecto. Unha candidata do PP ofrecía gratis notarios "do partido" se votaban aos populares; senón, o custo era de 50 euros Até aquí una das probas achegadas polo PSOE dunha práctica dos populares que a oposición teme foi unha constante en todos os comicios, sobre todo na Galicia interior: trasladar até os colexios electorais anciáns desde os xeriátricos coas cartas marcadas, coa papeleta do PP en man, como un salvoconduto. Pero quizais sexa o segundo vídeo achegado como proba á Xunta Electoral o que xunta toda a esencia do mal gusto, da falta de ética na manipulación de anciáns impedidos co fin de orientar o seu voto, pondo ao seu servizo todos os medios da ben engraxada maquinaria electoral do PP. As xa mencionadas traballadoras de axuda no fogar, Natalia e Silvia, presentábanse, fóra do seu horario laboral, nas casas dos mesmos anciáns impedidos ou de cognición mermada aos que coidan durante a semana, para facer descaradamente campaña electoral a favor do PP, o que os socialistas consideran, ademais dunha falta de ética elemental, un abuso de autoridade e aproveitamento ilícito da súa posición dominante. Dúas traballadoras do Concello vinculadas ao PP facían campaña polo partido nas casas de anciáns impedidos e fóra de horario laboral O PSdeG-PSOE de Ourense xa anunciou, por boca do seu secretario xeral, Raúl Fernández, que os seus militantes permanecerán especialmente vixiantes na posible manipulación do voto por correo por parte dos populares. "Nós debemos actuar como gardiáns da esencia da democracia: o libre dereito á elección dos seus gobernantes". |
NOS_872 | Unanimidade no pleno municipal para defender a iniciativa da Mesa que quere 'blindar' o galego no audiovisual. | O pleno do Concello de Santiago de Compostela aprobou nesta quinta feira, por unanimidade dos catro grupos —PSOE, PP, Compostela Aberta e BNG—, apoiar a moción 'Xabarín 2.0', impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística para 'blindar' a presenza do galego na Lei Xeral do Audiovisual que se está a debater no Congreso das e dos Deputados estes días. Así mesmo, as e os concelleiros interromperon a sesión plenaria ás 17 horas para participar na concentración convocada pola Mesa na praza do Obradoiro. Deste modo, o consistorio da capital convértese no primeiro en debater e aprobar esta moción, que, segundo informou a Mesa, será trasladada nas vindeiras semanas a todos os concellos do país para seguir o exemplo de Compostela. O Parlamento da Galiza xa amosara o seu apoio o pasado mes de maio, cando aprobou, tamén por unanimidade, esta iniciativa da Mesa, avalada até o momento por máis de 33.000 sinaturas. Tamén o BNG, a través do seu deputado en Madrid, Néstor Rego, rexistrou unha moción na Cámara baixa para instar o Goberno estatal a modificar o anteproxecto da Lei do Audiovisual, que actualmente non garante que a lingua galega sexa incluída nas canles e plataformas de televisión lineais e baixo demanda. O obxectivo da moción 'Xabarín 2.0' é que a citada lei recoñeza a pluralidade lingüística do Estado como principio básico, "igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais. "A exclusión da lingua é moi evidente" O presidente da Mesa, Marcos Maceira, lembrou que esta iniciativa é "de máxima relevancia para o futuro da lingua", nun ámbito, o audiovisual, "onde a situación de exclusión do galego é máis evidente" e, ao mesmo tempo, constitúe "un dos medios máis empregados polo público en xeral e pola mocidade e a infancia en particular". "Estes dous elementos converxen nun sector coma o audiovisual galego, de calidade demostrada e con gran capacidade para contribuír ao desenvolvemento cultural e económico do noso país", concluíu Maceira. |
NOS_14923 | A conselleira de Política Social compareceu no Parlamento para defender os orzamentos de 2020 e a súa xestión. A oposición criticou a "precarización" do persoal de coidados e demandou coñecer a titularidade das residencias que construirá a Fundación Amancio Ortega. | A comezos desta semana o Parlamento galego retomou a súa actividade cun Pleno. Unha das primeiras comparecencias foi a da conselleira de Política Social, Fabiola García. García defendeu, xunto ao orzamento da súa consellaría para 2020, a construción das sete residencias para maiores, que o Partido Popular asegurara hai sete anos, promovidas pola Fundación Amancio Ortega. A deputada do BNG Montse Prado lembrou á Cámara que o Partido Popular comprometeu as residencias de maiores en 2012. "Rematamos 2019 e non hai residencias, nin un só ladrillo, nin unha soa realidade", criticou. A integrante do Grupo Mixto Paula Quinteiro cuestionou á conselleira sobre a titularidade e xestión das residencias, "pois as multinacionais fan negocio coa xestión", mais esta esquivou a pregunta. Na súa quenda final, García reivindicou que unha praza nun centro de persoas maiores "suxeita a prezos, listas e criterios de acceso públicos é unha praza pública" e amosouse "indignada" e "preocupada" pola reacción da oposición. Precariedade do persoal Durante a súa comparecencia, a titular de Política Social enfrontou as críticas da oposición pola situación laboral do persoal de atención. Os grupos trasladaron as denuncias dos sindicatos e coincidiron en sinalar a súa "precarización". García declarou que a Xunta conta actualmente con máis de 6.500 profesionais, "un 10,3% más que en 2009" e que as súas condicións "melloraron nos últimos anos". A Confederación Intersindical Galega replicou a conselleira nun comunicado, acusándoa de realizar "un exercicio de demagoxia e propaganda electoral". Desde o sindicato lembran que o Consello de Contas de Galiza "recoñece a non substitución de persoal por parte da Xunta". "Tras inspeccionar dez centros constatou que había da orde de 10.022 días sen substitucións de persoal, o que equivalería á contratación de sete enfermeiras e corenta técnicos en coidados de enfermaría". A CIG tamén denuncia a sobrecarga laboral e as doenzas do persoal, que sofre as consecuencias dun traballo duro física, mental e emocionalmente. "A isto hai que sumar que os cadros de persoal están cada vez máis envellecidos e que usuarias/os son máis dependentes pola súa maior idade", recalca. |
PRAZA_4665 | Denuncian as condicións para adxudicar os servizos de tradución e interpretación nos xulgados galegos, que impoñen unhas tarifas "que non chegan nin ao 15% do prezo do mercado real" e que son "incompatibles cun traballo de calidade". | A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (Agpti) acusa a Xunta de "dificultar a impartición da xustiza" en Galicia e de perpetuar os problemas vinculados ao seu labor que xa denunciaron varios xuíces. E fano con motivo da licitación dos servizos que estes profesionais deben prestar nos xulgados do país. A Agpti amosa a súa "preocupación" e denuncia as condicións para a adxudicación de servizos de tradución e interpretación nos xulgados galegos que veñen de ser publicadas en procedemento aberto. Os profesionais destacan que o Goberno vén de propoñer unhas tarifas máximas para o seu labor "que non chegan nin ao 15% das do mercado real na autonomía", o que "fomenta a precariedade laboral que é incompatible cun servizo de calidade nun cometido de tal responsabilidade como o de intérprete xudicial". Tradutores e intérpretes denuncian que as tarifas que ofrece a Xunta "non chegan nin ao 15% do mercado real en Galicia" e "fomentan a precariedade laboral" Segundo a Agpti, as condicións impostas pola Xunta incumpren a Directiva europea 2010/64/UE, que obriga aos Estados membros da UE a ofrecer a toda persoa xulgada servizos de interpretación na súa lingua materna para garantir o seu dereito a un proceso xusto, unha garantía "que inclúe uns servizos de interpretación e tradución de calidade", algo que non cumpriría este proceso do Goberno galego. Ademais, denuncian tamén o feito de que a Xunta exixa na convocatoria a obrigatoriedade de responder á chamada dos xulgados nun prazo máximo de dúas horas, o que "dá mostra da escasa importancia que se dá desde a Administración á profesionalidade e calidade do traballo final". Os tradutores lembran que "se multiplican as queixas de xuíces por problemas relacionados coas interpretacións durante os procesos" e recomendan á Administración que "consulte aos profesionais do sector" para informarse sobre a realidade do seu traballo. "As queixas de xuíces por problemas coas interpretacións multiplícanse", lembran A Agpti ve neste proceso "unha clara mostra de falta de respecto" polo seu traballo "especializado e complexo" e pídelle ao Goberno que sexa consciente de que, "coa súa actuación, arríscase a destinar diñeiro público a entidades mercantís privadas que, coas condicións do actual procedemento, non necesariamente poderán nin quererán estar á altura das necesidades". "Arríscase tamén a dificultar innecesariamente a impartición de xustiza e a que se volvan producir casos con consecuencias tan negativas como as que se teñen visto", conclúe. |
NOS_12194 | O PSOE expón "solidariedade" entre "nacionalidades e territorios" para estabelecer o novo financiamento autonómico, á vez que pide "lealdade institucional" entre administracións e reclama que a "capacidade fiscal" dos territorios non condicione a "equidade" de acceso aos servizos públicos. | Os socialistas queren "deixar fóra a confrontación partidista" este asunto e por iso "convida" todos os partidos, sobre todo os de implantación estatal, a "definir unha posición común". Estas son as conclusións que emitiu hoxe o PSOE despois do encontro que mantiveron os presidentes autonómicos socialistas coa dirección do partido, representada pola súa número dous, Adriana Lastra e polo secretario de Política Autonómica, o presidente estremeño Guillermo Fernández Vara Ademais, participaron o secretario de Organización do Partido, Santos Cerdán, e as ministras de Facenda, María Jesús Montero e de Política Territorial, Isabel Rodríguez. Un encontro previo ao convocado polo presidente galego, Alberto Núñez Feixóo, para o próximo 23 de novembro na Galiza co obxectivo de facer unha fronte común entre os territorios afectados polo despoboamento, e ao que teñen intención de asistir algúns presidentes socialistas. O PSOE fai un chamamento en especial ás "forzas estatais" No comunicado emitido por Ferraz convídase todas as forzas políticas, "especialmente" aquelas con implantación a nivel estatal, a traballar con honestidade na definición dunha posición común, "deixando fóra a confrontación partidista" co fin de contribuír a aprobar unha reforma do vixente Sistema de Financiamento Autonómico. Un novo sistema de financiamento, sinalan, que permita a todas as Comunidades Autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla atender as necesidades e satisfacer as expectativas da cidadanía. Sen concerto económico O PSOE non contempla un modelo de concerto económico para a Galiza, como pide o BNG. Segundo a forza nacionalista, a Galiza, en base aos últimos datos dispoñíbeis, de 2018, achega máis de 13.000 millóns ao Estado, e recibe 8.000 millóns. Así, o saldo é positivo en 4.000 millóns de euros ao ano a favor do Estado. |
NOS_42773 | Un documentado traballo colectivo impulsado pola Fundación Euskal Memoria desvela que desde a Transición até hoxe en Euskal Herria houbo pola volta de 9.000 cidadá(n)s vasc@s que foron sometidos a incomunicación en aplicación da Lei Antiterrorista, un 40% dos cales terían sofrido torturas. E dos 62 axentes das FSE que foron condeanados por torturar a vasc@s, 36 foron indultados por gobernos do PP e do PSOE. O traballo está a ser todo un éxito editorial | Un completo estudo elaborado pola Fundación Euskal Memoria está a ser todo un éxito en Euskal Herria. O documento colectivo que se xestou durante anos de traballo leva por título 'Oso Latza izan da' ('Foi terríbel'), as palabras pronunciadas antes de morrer polo militante de ETA Joxe Arregi tras nove días de torturas continuadas na Dirección General de Seguridad de Madrid. O informe estuda, analiza e denuncia a realidade da tortura en Euskal Herria nas últimas cinco décadas. Un simple exemplo da dimensión da tortura en Euskal Herria pode ilustrar o impacto desta realidade en País Vasco: En Oñati, unha vila de menos de 11.000 habitantes hai máis de de 50 veciñ@s que foron torturados polas forzas de seguridade nestas décadas. Un exemplo: En Oñati, unha vila de menos de 11.000 habitantes, hai máis de 50 veciñ@s que foron torturados polas forzas de seguridade Este traballo aborda a tortura desde todos os puntos de vista: qué é, quen a exerceu, cómo, a quen, cando, ónde, por qué, para qué... Entre as achegas está o intento de poñer cifra aos casos producidos en Euskal Herria. O estudo conclúe que entre 1960 e 1977 se producíronse perto de 10.000 detencións políticas en Euskal Herria, das que entre o 50% e o 70% incluíron torturas. Unha realidade ocultada A partires de 1978 hai balances oficiais sobre arrestos por cuestións políticas que facilitan o cómputo. Calcúlase que nos dez seguintes anos incomunicouse a 7.370 vasc@s e en torno ao 40% padeceron torturas, o que supón 3.000 casos máis a engadir aos 5.000-7.000 anteriores. E de 1989 até 2000 recollen 900 casos. E entre 2000 e hoxe, 733. Alén de cifras e datos, neste traballo tamén se recollen testemuños de vasc@s que foron torturados. Como Mertxe Alcocer, nai e aboa detida en 2008 e que se limita a resumir a experiencia en mans das forzas de seguridade con "O que me fixeron..,.o que me fixeron non llo desexo nin ao meu peor inimigo". Indultos e perdóns Mesmo houbo axentes que en democracia foron indultados en dúas ocasións, ambas de delitos de torturas Dos 62 axentes das FSE que foron condenanados por torturar a cidadáns vasc@s, 36 foron indultados por gobernos do PP e do PSOE. Mesmo houbo axentes que foron indultados en dúas ocasiones. Os gardas civís José Domínguez Tuda, Manuel Macías Ramos e Antonio Román Ríos foron condenados en 1990 por torturas aos irmáns Víctor Jesús, Joxe Mari e Lucio Olarra e a Iñaki Olaetxea, e indultados a principios de 1991. Ao ano seguinte, o 22 de setembro de 1992, o mesmo José Domínguez Tuda, era condenado de novo, nesta ocasión por torturar a Jokin Olano en 1983. En marzo de 1995, o ministro socialista Juan Alberto Belloch volvía indultalo. |
NOS_23227 | Case un 30% foron notificadas aos presuntos incumpridores. A maioría son por non levar máscara aínda que tamén aumentaron os expedientes por fumar ou participar en botellóns. | Os incumprimentos ds normas estabelecidas polas autoridades sanitarias e políticas co fin de garantir a saúde pública fronte á Covid-19 cóntanse por milleiros. A vixilancia e a tramitación de expedientes de sanción afecta ao conxunto do territorio aínda que se fai máis difícil nos concellos máis pequenos, con menos recursos técnicos e de persoal para afrontar os labores de control.s O consumo na barra e o incumprimento dos horarios de feche, entre as principais infraccións Así, segundo os datos actualizados no marco do convenio asinado a finais de novembro pola Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para colaborar cos concellos que o precisen na tramitación das sancións, a día de hoxe ah 181 municipios adheridos. As primeiras denuncias, en virtude deste convenio, entraron na Xunta o pasado 14 de decembro, menos de catro meses despois, o total de denuncias municipais que chegaron á Administración galega para a súa tramitación superan xa as 8.400. Do total, as propostas de sanción para máis de 2.200 están xa notificadas aos presuntos incumpridores; e as demais atópanse en distintas fases de tramitación. Uso da máscara inadecuado A infracción máis común, con moita diferenza, é a derivada do incumprimento do uso obrigatorio de máscara. Os casos son moi variados, mais o imcumprimiento do uso de máscara no interior ou na terraza de estabelecementos hostaleiros, o caso de viaxeiros que non a levan mentres circulan en vehículos con outras persoas non conviventes e o de individuos que deambulan sós pola rúa sen a máscara, son os que máis denuncias acumulan. Na Galiza, a multa por non levar máscara ascende a 100 euros. Outras infraccións teñen que ver co incumprimento do horario de feche dos estabelecementos de hostalaría, o consumo na barra -consentido polos encargados-, as reunións en botellóns e fumar na vía ou noutros lugares públicos. Colaboración estreita Neste sentido, a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, constatou que o uso incorrecto da máscara supera calquera outra infracción malia que nas "nas últimas semanas" empezaron a entrar máis propostas de sanción por fumar na vía ou noutros lugares públicos e participar en botellóns, un aumento que tamén ligou á "intensificación dos controis". Segundo explicou Prieto, unha trintena de traballadores da Administración autonómica encárganse dos labores de tramitación en "cooperación permanente" cos concellos. Con todo, é a Administración autonómica a que procede á elaboración de todos os acordos de inicio, notifica a denuncia e adxunta as cartas de pagamento para os cidadáns que queiran acceder aos descontos por facelo pronto ou alegar. Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, asegurou que o convenio está a funcionar con normalidade. Pero advertiu que, baixo o seu punto de vista, o principal problema non está na tramitación das multas, senón nas tarefas de vixilancia e control das rúas que, en moitas ocasións, "están a recaer" na Policía Local e supoñen unha carga de traballo extra moi importante. "Ter medios para o control dos espazos públicos é o primeiro, o crucial", resolveu. |
PRAZA_15163 | A Consellería liberará ás universidades e centros galegos que acollan os bolseiros de pagar o complemento das axudas convocadas polo Ministerio de Economía. O obxectivo é que Galicia mellore nos ranquins internacionais de investigación | A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asumirá o financiamento complementario da contratación de investigadores dos programas Ramón y Cajal e Juan de la Cierva das convocatorias de 2012. Deste xeito liberará ás universidades e centros galegos que acollan os bolseiros de pagar o complemento das axudas convocadas polo Ministerio de Economía. Educación achegará 10.000 euros por cada bolsa Ramón y Cajal para doutores investigadores con experiencia internacional, e 7.000 por cada axuda Juan de la Cierva para doutores recentemente titulados. O obxectivo de contribuír a que o sistema universitario galego mellore nos ranquin internacionais de investigación, "grazas ao salto de calidade que, mediante as referidas bolsas, se obterá coa captación de novos talentos", en palabras da Xunta. Educación quere incentivar as universidades do sistema universitario galego a presentarse á convocatoria destes programas, moi competitivos, sen que comporte para elas unha carga orzamentaria. |
NOS_7175 | A autora hindú triunfou hai 20 anos coa novela O deus das pequenas cousas (1997), que se convertiu nun fenómeno editorial e gañou o Booker Prize dese ano. Agora regresa con The Ministry of Utmost Happiness, que poderiamos traducir como o ministerio da máxima felicidade. | Esta agardadísima segunda novela sae hoxe á venda, 20 anos despois de gañar o Booker que lle deu fama mundial do que vendeu arredor de oito millóns de copias. Ese éxito permitiulle abandeirar numerosas causas como activista a prol dos dereitos humanos e do medio ambiente. Desde aquela novela, alén de comprometerse con múltiples causas, escribiu varios ensaios e gañou o Premio Sidney da Paz. É voceira do movemento antiglobalización e unha crítica do neoimperialismo e da política exterior dos Estados Unidos. Tense oposto ás probas nucleares levadas a cabo polo seu propio país, así como á industrialización e ao crecemento económico, ademais de apoiar a independencia de Cachemira. Moitos destes temas trátanse na súa nova novela, na que estivo a traballar durante dez anos e que publica hoxe mesmo Penguin, quen conta da novela que "nos leva a unha viaxe de varios anos das estreitas barriadas de Delhi ás emerxentes metrópoles e máis alá, do val de Cachemira aos bosques de India central, onde a guerra é paz e a paz é guerra, e onde, de cando en vez, se declara a normalidade", sexa o que sexa iso. A crítica polo de agora non é unánime. Ademais de boas valoracións, tamén medios como The Economist non están moi felices con esta segunda entrega: "Son dúas décadas de polémica destilada nun libro, cunha superestrutura de ficción para xuntalo todo. E non funciona". |
NOS_56236 | Foi apadriñada por Alemaña en teoría para impedir o acceso á ultra-direita de inspiración nazi, mais a súa posta en práctica dificultaría a entrada na Eurocámara das organizacións soberanistas. O limiar mínimo para obter representación estará entre 2 e 5 por cento do voto estatal. Serán os estados os que decidan en que percentaxe fica finalmente. | En 2014, o Bloque Nacionalista Galego obtivo representación na Eurocámara —a que ostenta Ana Miranda— ao integrar unha coligación con EH Bildu que conseguiu 2,07 por cento do voto estatal e un escano (rotatorio coa esquerda abertzale). Daquela non existía nengún tipo de barreira de acceso. Coa que acaba de aprobar o Pleno do Parlamento europeu, e de se repetir os resultados, a organización soberanista galega entraría polos pelos na Eurocámara, se o Goberno español optar por situar a barreira no mínimo posíbel. Se ir á barreira máis alta ←5 por cento— estaría en risco até a representación de L'Esquerra pel Dret a Decidir, marca liderada por ERC (4,02 por cento) e de Coalición por Europa, formada por PNV e a antiga Convergència, con 5,44 por cento. En Marea non existía en 2014, mais o seu embrión —AGE—, si. De repetir como é probábel a súa política de alianzas coa esquerda de ámbito estatal, a confluencia non estaría afectada polo estabelecimento dunha peneira de acceso, sendo que hai 5 anos conseguiu un escano —o de Lidia Senra— ao integrar unha coligación que conseguiu 7,97 por cento dos sufraxios. Esta reforma electoral foi aprobada esta cuarta feira polo Parlamento europeo —con 397 votos a favor, 207 en contra e 62 abstencións— e o previsíbel é que sexa unanimemente asumida polo Consello, isto é, polos 28 estados membros da Unión. Este limiar existía na práctica totalidade dos estados membros, coa excepción do español e de Alemaña. Precisamente o movimento que puxo en marcha a reforma veu de terras xermanas, visando —de acordo coa doutrina oficial— o obxectivo político de deixar fóra da Eurocámara a forza de ultra-dereita Alternativa por Alemaña, partido que segundo as enquisas supera, porén, e con comodidade, o limiar de 5 por cento. E que fará o Estado español? Se nos atemos ao dito esta cuarta feira polo eurodeputado Ramón Jáuregui, histórico dirixente do PSOE, situará o limiar na percentaxe mínima posíbel, isto é, en 2 por cento. Parece o probábel dada a dependencia aritmética que o goberno Sánchez ten no Congreso dos Deputados en relación ás forzas soberanistas. Mentres tanto, na súa conta twitter Ana Miranda denuncia esta reforma.por ser contraria ao pluralismo democrático. A ALE no Parlamento Europeo e o BNG @obloque rexeitamos a reforma electoral europea. @EFAparty https://t.co/lPVqbNFnGm— Ana Miranda (@anamirandapaz) 4 de xullo de 2018 |
NOS_31234 | As forzas políticas poñen o ramo á campaña electoral das xerais, cun cenario aberto para a Galiza e con todo por decidir. As e os candidatos chaman á participación nos cuartos comicios deste 2019. | Só fican unhas horas para que abran os colexios electorais este domingo 10 de novembro e a Galiza está chamada ás urnas para votar nos cuartos comicios de 2019. As votacións ao Congreso e o Senado chegan após as eleccións xerais de abril e as europeas e municipais do mes de maio. A incapacidade para formar Goberno no Estado abocou de novo ás urnas. O Partido Popular e o PSdeG compiten por ser a primeira forza na Galiza após Gonzalo Caballero adiantar Núñez Feixoo nas últimas xerais. O PSdeG agarda non perder votos e o PP chamou insistentemente na campaña a concentrar o voto da dereita nas súas siglas, agardando arrebatar a Ciudadanos a súa actual representación pola Galiza, temendo ao tempo que Vox lle reste apoios. En Común – Unidas Podemos agardan que a falta de acordo entre Pablo Iglesias e Pedro Sánchez non pase factura e en conservar as dúas actas que logrou en abril. Pularon na campaña por mobilizar o voto de esquerdas e en formar coalición no vindeiro Executivo. «Unha oportunidade para a Galiza recuperar voz propia», reivindicaron desde o Bloque Nacionalista Galego nesta campaña. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, interveu no último mitin en Vigo coas enquisas apuntando á volta do nacionalismo ás Cortes Xerais e cun discurso alicerzado en defender a Galiza e as liberdades, nun contexto en que o ultraespañolismo ameaza as nacións sen Estado, os nacionalismo e os dereitos sociais. Más País estréase nestes comicios presentándose como unha esquerda que desbloqueará a conformación de Goberno central. Tanto Ciudadanos como Más País non pecharon campaña na sexta feira na Galiza, e acudiron a Madrid e Barcelona para arroupar os seus líderes estatais. Caballero chama a votar PSdeG para impedir "un pacto da dereita coa ultradereita" Vimianzo foi a localidade escollida por Gonzalo Caballero, secretario xeral do Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG), para pechar a campaña electoral da formación do presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez. O líder dos socialistas galegos quixo pedir o voto para a súa formación para impedir "un pacto da dereita rancia coa perigosa ultradereita", pois para el "un goberno de PP, Vox e Ciudadanos sería unha bomba nuclear para as liberdades políticas e os dereitos sociais". Deste xeito, Gonzalo Caballero advertiu de que Casado "está controlado dende dentro do PP por Aznar e dende fóra, por Vox", "unha ultradereita racista, xenófoba, machista" que trae consigo un "risco de involución" a todos os niveis. Así, reclamou á cidadanía "castigar nas urnas" a dereita "sen escrúpulos" por pactar coa extrema dereita. "A coalición da dereita coa extrema dereita implicaría un ataque ao estado do benestar, aos dereitos das mulleres e das persoas Lgtbi, ao autogoberno galego e á liberdade de opinión e prensa", recalcou, ao tempo que chamou a atención sobre os efectos que tería esa coalición sobre o autogoberno, a lingua e a cultura galegas. Ademais, fixo un chamamento ao "voto útil" a todos aqueles "que senten a esquerda e que non perdoan que o seu voto non servira para apoiar un presidente socialista", ademais de a "todos os descontentos de PP e Ciudadanos que rexeitan os acordos coa ultradereita". Feixoo insiste en concentrar o voto de dereitas nas siglas PP O presidente do Partido Popular de Galiza (PPdeG), Alberto Núñez Feixóo, pediu no acto de peche de campaña da súa formación, celebrado en Pontevedra, que a xente "non esqueza este domingo por que e por quen" volve ás urnas. O líder dos populares apuntou a que os socialistas foron "incapaces" de formar Goberno, e criticou a Pedro Sánchez o feito de pensar que os cidadáns "o premiarían por bloquear España tres veces". "Primeiro gobernou sen gañar; cando despois gañou, creu que tiña maioría absoluta e, ao final, todos os españois saímos perdendo", apostilou. Feixóo engadiu que o 10 de novembro o importante é que a cidadanía "recorde a inestabilidade á que o Partido Socialista levou a España", así como o "paro", a "inacción ante a desaceleración económica", a "ambigüidade e a equidistancia ante os extremistas" e o "continuo menosprezo a Galicia e aos traballadores de Alcoa, de Endesa, do sector forestal, da automoción ou do naval" Ademais, fixo un chamamento a "non caer na trampa" da división do voto da dereita, avogando por "votar partidos que realmente poden lograr escanos", pois en Galiza "só o PP" pode conseguilos. Díaz e Gómez-Reino animan a xente de esquerdas a votar En Común-Unidas Podemos As e os candidatos de En Común – Unidas Podemos pecharon a campaña electoral cun acto celebrado nun pub de Compostela que estivo amenizado polo trío ourensán de swing Menàge a Trois. O carácter festivo deste, porén, contrastou coa solemnidade das declaracións de Yolanda Díaz, número un por Pontevedra, que lembrou "o moito que está en xogo nestas eleccións", advertindo da ameaza "dunha estrema dereita xa instalada no Congreso" e facendo un chamamento aos "socialistas de corazón". Pola súa banda, o candidato pola circunscrición da Coruña Antón Gómez-Reino salientaba a posibilidade de ter "un Goberno de esquerdas no que Galiza estea dentro", así como o feito de que a súa formación resulta fundamental para facer "que Galiza conste nun Goberno forte, que entenda as necesidades do mar, do agro, da industria e do patrimonio histórico e natural". A candidata por Lugo, Vanessa Somoza, mostrouse crítica con esta cita electoral: "Convocaron estas eleccións para derrotarnos a todas. Para que ficarades na casa e pensarades que todos os políticos son iguais e ter así a vía libre para seguir saqueando e espoliando os traballadores e traballadoras. Mais estamos en pé fronte ao bipartidismo, dicindo que este sistema podrecido xa rematou, e que chegou a hora da xustiza social", Finalmente, David Bruzos, número un por Ourense, quixo lembrar que "o voto que vale, é o voto de esquerdas". Pontón salienta que o BNG "é o voto que garante a defensa de Galiza e dos dereitos sociais e liberdades" "Pechamos campaña e quero facelo apelando ao orgullo e a dignidade dos galegos e das galegas", proclamou a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, no mitin de peche de campaña da formación, celebrado en Vigo. A líder do Bloque pediu sumar "todo o voto de país e todo o voto das persoas progresistas desencantadas co PSOE-Podemos, porque non defenderon Galiza, non avanzaron en dereitos sociais e porque non plantaron cara ao discurso antidemocrático e antigalego da extrema-dereita, ao que, por contra, déronlle novas oportunidades nas urnas". "Votemos con ilusión, con orgullo e con convicción collendo a papeleta do BNG porque é o voto que garante a defensa de Galiza e a defensa dos dereitos sociais e das liberdades, ante a discriminación das forzas estatais e os aires involucionistas que veñen de Madrid", salientou Pontón na cidade olívica. Ademais, Ana Pontón fixo un chamamento aos votantes galegos para "concentrar todo o voto de país" na súa formación co obxectivo de "acabar coa discriminación" e darlle "voz propia a Galiza no Estado", incidindo especialmente nas persoas desencantadas co PSOE e con Podemos, "que antepuxeron o reparto de poltronas ao interese da maioría social, que foron mornos ante un discurso antidemocrático e que foron irresponsábeis dando novas opcións ao avance da dereita e da extrema dereita". A nacionalista insistiu en sumar no Bloque para "facerse valer ante o Estado, pasar a páxina da discriminación e plantar cara a unha extrema dereita racista, machista, xenófoba antigalega". "Nós non imos fallar: o voto ao BNG é garantía de defensa de Galiza e garantía de defensa de dereitos sociais e da democracia", recalcou. Pola súa banda, a cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego por Pontevedra, Carme da Silva, quixo reafirmarse na importancia de ter unha voz propia "non alienada" que defenda os intereses de Galiza en Madrid, lembrando que co Bloque ausente do Congreso as 23 deputadas e deputados electas "non só non se moveron na defensa do país con iniciativas parlamentarias, senón que actuaron contra os intereses dos galegos e das galegas". Finalmente, nun momento cargado de emotividade, Da Silva falou do afundimento do Prestige hai 17 anos, e fixo un símil coa actual situación de Galiza: "Entón foron os propios galegos e galegas os que coas súas mans limparon as costas galegas. Ao noso país nunca lle regalaron nada, sempre o tivemos que loitar e defender por nós mesmos, buscar nós as solucións. Entón dixemos Nunca máis e agora, o vindeiro domingo nas urnas, debemos parar ese novo chapapote que nos ameaza que son as forzas estatais que nos ignoran e discriminan. Temos que volver a darlle voz a Galiza en Madrid votando ao BNG e berrar: nunca máis Galiza silenciada". As e os candidatos de Cs acoden a Barcelona para arroupar Rivera As e os candidatos galegos de Ciudadanos non desenvolveron ningún acto de peche de campaña en Galiza, desplazándose a Barcelona para acompañar a Albert Rivera no evento central do partido. A formación laranxa centrou as últimas horas da súa campaña a nivel galego en criticar a Miguel Tellado, o secretario xeral do PPdeG, por unhas declaracións nun mitin nas que instaba os simpatizantes dos populares a "meter a man no buzón dos veciños" e "coller os sobres coa bandeira de España" –en referencia á propaganda electoral empregada por Vox- para logo "tiralos ao lixo". O secretario xeral de Ciudadanos en Galiza, Laureano Bermexo, cualificou as declaracións de Tellado como un "desprezo a todos os galegos", e mostrouse "indignado" polo feito de que un político "inste os seus militantes a que actúen como un exército para cachear os buzóns dos seus veciños e a que saian roubar, que é un delito". Logo de definir Miguel Tellado e todo o seu partido de "caciques", e de acusalos de empregar "tácticas sucias", así como de tratar todos os galegos "coma se fosen parvos", afirmou que as palabras de Tellado son "despreciábeis", e que neste caso o voto útil demóstrase "que é o de Ciudadanos". Bescansa asiste ao mitin de Errejón Os candidatos de Máis Galicia, con Carolina Bescansa á fronte, pecharon a campaña electoral arroupando o líder de Más País, Íñigo Errejón, nun acto que tivo lugar no Pavillón Satélite da Casa de Campo de Madrid. Ademais de Bescansa, nomes destacados vinculados á formación como a ex alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena; a vicepresidenta da Generalitat Valenciana, Mónica Oltra; ou o actual voceiro de Compromís no Congreso dos Deputados, Joan Baldoví, quixeron estar presentes no acto de peche de campaña. A líder de Máis Galicia, Carolina Bescansa, fixo unha valoración da campaña electoral para Sermos Galiza na que quixo destacar "o traballo das ducias de militantes e simpatizantes", o compromiso da súa formación de traballar en pos "da construción dunha nova maioría para permitir un resultado diferente" e o seu convencemento en que o resultado do domingo permitiralles ter a forza "suficiente" para "evitar" o sucedido o pasado 28 de abril. Ademais, Bescansa dedicou unhas palabras aos veciños e veciñas afectados pola mina de Touro, definíndoos como "exemplo do que é a patria": "Hai quen pensa que pode seguir agredindo o territorio e facendo minas que van destruír hectáreas enteiras como se non pasara nada, pero os veciños e as veciñas de Touro están a demostrar que cunha mobilización organizada, coa xente defendendo o territorio, o país, a patria, porque iso é a patria, poden pararse as cousas que os mafiosos, os especuladores e os corruptos están tratando de facer co noso país". |
PRAZA_21061 | O ex-conselleiro de Cultura Roberto Varela amosa a súa intuición para a fotografía no libro O tempo que vivimos, (Chan da Pólvora), unha proposta de percorrido pola súa travesía vital, sen ser unha autobiografía. Falamos con el desta obra e do seu pasado no Goberno galego | Non se soubo moito ata que montou recentemente unha exposición na súa vila, Meaño, mais o ex-conselleiro de Cultura Roberto Varela tiña un talento agochado para a fotografía que demostra tamén no libro O tempo que vivimos, recentemente editado por Chan da Pólvora. Unha escolma das súas instantáneas "bretemosas", como el mesmo as describe. Metáfora do paso do tempo e da relación humana coa memoria. Nesta entrevista, que atendeu por teléfono desde París, onde leva tempo destinado como conselleiro de asuntos culturais da Embaixada de España, di sentirse querido polo mundo cultural galego co que, sendo conselleiro de Cultura do primeiro goberno de Feijóo, tivera tantos conflitos.Como está? O confinamento en París está a ser duro…?É duro, si. A día de hoxe hai toque de queda ás seis da tarde. Xa non se pode andar pola rúa, a vida cultural está totalmente desaparecida… O único que se escoita é o son das ambulancias. A vida persoal e social desaparecen. E aínda están a falar de endurecer as medidas e ir cara un confinamento completo. A min salvoume facer este libro… É difícil vivir con esta soidade. Tamén a parte do traballo: é moi difícil programar. É frustrante. Ninguén prevía isto, que provoca un estado xeral de alma complicado…Leva xa anos en París. Como é o seu traballo aí en circunstancias normais?Eu xa vivira aquí en París hai anos, polo que vir foi como un retorno. A experiencia estaba a ser moi boa. Teño un orzamento axeitado para facer cousas: trato de coordinar o labor dos institutos Cervantes, organizamos unha exposición moi importante sobre Miró, facemos festivais de cine español… un pouco de todo. O que pasa é que, claro, agora tes algo previsto e de repente cae todo. É desolador. Pero o goberno francés está destinando bastantes cartos a subsidios aos profesionais da cultura. A cultura é imaxe de marca do país… Haberá que tentar recuperar o tempo perdido despois… Nós tamén facemos cousas online, pero non é o mesmo.Por que dicía que o libro o salvou?O libro xa é un proxecto de hai tempo. Coñecín a Antón Lopo en Uruguay e falamos, eu pensaba que medio en broma, de facer un libro coas miñas fotografías. Pero ao final foi en serio. A editorial Chan da Pólvora ten ademais unha particularidade, que é o ben que editan. Eu quixen darlles ás fotografías un carácter poético: teñen algo bretemoso… Como non me sentía moi seguro acudín a amigos para apoiar un pouco esa poética do libro sobre o tempo, a memoria… Así, O tempo que vivimos leva tres textos fantásticos de Luísa Castro, Antón Reixa e Ion de la Riva. Dicía que o libro me salvou porque o fixen durante o confinamento, nun momento ademais en que faleceu a miña nai e non puiden nin ir despedirme dela. Todo o noso mundo caeu… E hoxe vexo o libro case como algo profético. Para min ten un significado emocional, sentimental… Non quixen facer un libro de postais. A clave é o sentido de viaxe pola vida. Algo máis transcendental. Mais tampouco é unha autobiografía."Non quixen facer un libro de postais. A clave é o sentido de viaxe pola vida. Algo máis transcendental"Ese toque bretemoso, neboento, que ten, fai pensar en Galicia, claro. As fotos non están feitas a maioría aquí, pero poderían estalo.Pois é verdade… Eu crieime nun pobo pequeno -nós dicimos pobo-, naquela España escura, na ditadura. O meu refuxio eran os libros e aquela praia na que xogaba, os Seixiños, da que me quedaron imaxes gardadas na cabeza para sempre. Coa imaxe das chemineas das fábricas de ladrillo víñanme fantasías doutro mundo… E despois pasei a vida fóra de Galicia, un pouco indo detrás daqueles soños. Xa teño unha idade como para reflexionar, para mirar atrás, e ao final decátaste de que a patria que buscabas é aquela da que te fuches, pero ti cambiaches, xa non es a mesma persoa… A praia de Seixiños é como a miña magdalena de Proust. Lévame a esa idea de nostalxia, de anhelo… Moi poucas fotos están feitas en Galicia, pero si, poderían estalo. Eu realmente nunca deixei Galicia de todo: sempre volvía en vacacións. Mais a verdadeira volta foi cando fun conselleiro de Cultura. Unha época difícil, mais na que fixen moi bos amigos."Ao final decátaste de que a patria que buscabas é aquela da que te fuches, pero ti cambiaches, xa non es a mesma persoa"Xa que fala diso, xa cando marchou fixo balance e sempre salientaba o Xacobeo. Visto desde a perspectiva de hoxe, que fixo ben e que fixo mal como conselleiro?Xa pasou moito tempo. Hai once anos… Foi un período moi intenso, con luces e sombras, e o balance non son eu quen para facelo… Penso que fixemos un bo Xacobeo, que me acerquei á cultura do país… Creo que non se pode dicir que non me acercase e me expuxese. Agora a verdade é que me sinto querido polo mundo da cultura, aínda que daquela tiveramos as nosas dificultades. Ter unha excelente relación e que me traten con cariño penso que é o máis importante que podo dicir, facendo balance desde o punto de vista do persoal."Creo que non se pode dicir que non me acercase á cultura e me expuxese"Foi un tempo difícil. De recortes importantes no orzamento de Cultura. Acababa de chegar Feijóo coa política de rebaixas de orzamento en plena crise… Foi moi difícil, si. Era o primeiro goberno de Feijoo despois do bipartito. Eu viña de fóra e non tiña experiencia en política, máis que en política internacional como diplomático. Era un tempo complicado e ademais eu era independente. Tiven moitos problemas, si. Eu tentaba ser coherente, pero non se pode agradar a todo o mundo. O que si podo dicir é que fixen algo polo meu país. Fixen un sacrificio porque eu vivía mellor como diplomático. Foi unha época moi dura e moi intensa.Supoño que dos peores momentos foi cando os escritores que foran Premio Nacional de Literatura pediron a súa dimisión. Foi un momento moi duro, si. Quizais o peor. Supoño que houbo certa inocencia, certa inxenuidade pola miña parte. Non sabía que me ían recibir así, con ataques desde o principio, que eu nese momento pensaba que eran persoais. Que me digan a min que son un paleto…. Foi moi duro, claro. Despois comprendín que se debía máis ás disputas políticas. Eu do que trataba era de achegarme á realidade da cultura. Lembro unha vez que fun a un concerto de Berrogüetto e a xente estaba sorprendida de verme por alí… Eu tiña esa espontaneidade… Chegaba a un concerto na casa das Crechas…"Que me digan a min que son un paleto…. Foi moi duro, claro" Ben, con Ánxela Bugallo puido ser outra cousa, pero seguramente os conselleiros anteriores dos gobernos do PP non ían moito de concertos. Ou deses concertos. Xa, claro. E chegar a un sitio e que che asubíen, ou que te insulten, non é agradable. Eu tentei dialogar con todo o mundo, fixen o que puiden. O que quería era traballar por Galicia, pola cultura galega.Prexudicaran moito a súa imaxe aquelas declaracións sobre a cultura galega "ensimesmada" e "acomplexada", referíndose a que había que potenciar a apertura ao exterior. Non sei se foi a mellor maneira de dicilo. Desde logo, non sabía vostede falar para a prensa. É que eu falo con esa espontaneidade, igual que estou falando agora. Supoño que non souben medir as miñas palabras. Si o fago no meu traballo, cando me expreso por escrito, pero iso é outra cousa. Eu tentaba ser honesto pero, si, non sabía medir as miñas palabras e iso é un erro grande en política. Os ataques que recibín doéronme moito. Sentinme só e incomprendido. Non entendía nada do que estaba pasando. Mais penso que foi máis unha cuestión política que algo centrado en min. Eu non entendía por que estaban a recibirme coma un inimigo, se eu o que quería era o mellor para a cultura galega. Eu non estaba alí para trepar politicamente. Xa tiña a miña carreira."Eu non entendía por que estaban a recibirme coma un inimigo, se eu o que quería era o mellor para a cultura galega"A carón da promoción da cultura no exterior, unha das súas prioridades era mellorar, en xeral, a distribución dos produtos culturais. Fronte á focaxe na produción. Era e segue a ser a óptica axeitada, na súa opinión? Para min a promoción cultural é un dos puntos clave, claro. É onde máis experiencia teño. A cultura é crear produtos culturais, pero os produtos tamén precisan promoción e distribución. E creo que niso mellorouse moito. Agora mesmo en Netflix en Francia está de número un unha serie galega, El desorden que dejas. Tamén hai cincuenta músicos galegos nas mellores orquestras de todo o mundo, hai bastantes escritores que están a ser traducidos ao francés e a outras linguas… A situación mellorou e a min gustaríame pensar que eu algo acheguei para mellorar iso. Agora mesmo estou cunha tradución ao francés de Uxío Novoneyra, que me gusta moito. Somos unha potencia cultural, temos unha produción de moita calidade, pero iso serve de pouco se non se coñece.Nas artes escénicas tamén tivera conflitos importantes. Mesturáranse facturas impagadas -penso que foi a maior protesta do sector-, Agadic sen dirección, o CDG sen dirección… e os recortes. Todo un desastre. Fora a tormenta perfecta, si. Eu tentaba dialogar e poñerme na pel de todos. E traballar desde un punto de vista de xestión cultural, porque a cultura é tamén industria. Eu o que quería era fomentar a asistencia ao teatro, e houbo a quen esta idea lle pareceu mercantilista. Os festivais de teatro, por exemplo, son moi importantes para iso. Eu penso que o que non pode ser que unha entrada de teatro custe menos ca un gin tonic. O sistema francés é moi bo niso. As políticas de protección da cultura, de excepción cultural… Mais aquí parecía que só importaba a produción. Que é moi importante, pero serve de pouco se a xente despois non vai ao teatro. O mesmo pasa co libro. Claro que hai que axudar as editoras pequenas, que publican en galego, que ademais é unha lingua minoritaria, pero de pouco serve se a xente non le, non compra o libro. En Francia fíxose iso moi ben: hai un consumo cultural brutal."Non pode ser que unha entrada de teatro custe menos ca un gin tonic"Unha das súas prioridades fora, de feito, o libro. Ben, continuou co proxecto do Ano do Libro que viña da consellería de Ánxela Bugallo. O libro é un dos eixos da cultura, claro. E aí o meu enfoque foi promocionar o libro. Porque non só hai que axudar aos editores: hai que crear a necesidade de ler, de consumir libros en galego. En Francia hai axudas para os editores, para os libreiros, bolsas para os escritores… A política de excepción cultural supón protexer a parte máis débil, e promocionar a cultura é unha maneira de protexela. E non pode ser que me digan que a xente non ten diñeiro para pagar unha entrada de teatro pero si ten 200 euros para ir ao fútbol. En Francia hai unha sociedade de actores que loita moito polos seus dereitos e que teñen todo moi ben organizado. Agora están co que aí en España se chama ERTES, e a ver que pasa, como saen desta crise."Non só hai que axudar aos editores: hai que crear a necesidade de ler, de consumir libros en galego"Fala moito de Francia, pero é outro contexto: un Estado detrás, unha lingua normalizada… Que se podía importar aquí do modelo francés?En Francia teñen moi clara a política da cultura como imaxe de país, a excepción cultural e a cultura como ben básico. Houbo por exemplo un debate social moi importante polo peche das librarías agora coa pandemia. A xente preguntábase por que podía abrir o estanco e non a libraría. Entón empezaron a mercar libros por internet e ían recollelos ás librarías… En Francia respírase cultura, vívese… Mentres estiveron abertos, a xente seguía indo ás librarías, aos cines ou aos teatros. As salas de cine abren xa ás dez da mañá… E eu o que quería para Galicia era iso. Que a xente vaia aos cines, e aos teatros… Por iso son moi importantes os festivais, as campañas de sensibilización… O teatro e a cultura teñen que formar parte da vida cotiá, e as políticas culturais teñen que desenvolver o potencial cultural do país, a grande creatividade e talento que hai en Galicia. E para iso hai que coidar moito a distribución… |
NOS_37453 | Volve á actualidade a candidatura de Lorenzo Baleirón ao Día das Letras Galegas, esta vez a proposta do Concello de Dodro que aprobou unha moción por unanimidade que lle trasladará á Real Academia. | Foi o pasado 4 de maio, cando o concello celebrou un pleno extraordinario para tratar esta moción, que foi aprobada polos catro grupos do consistorio: o PP (no poder), o PSOE, BNG e Unidade Veciñal de Dodro, quen fixo a proposta. Agora enviarán a moción á Real Academia Galega para que sexa estudada. "É a RAG quen ten que propoñelo oficialmente, nós só facemos un chamamento para que o teñan en consideración", explica Fabián Xaneiro, voceiro de UVD. Este non é o primeiro intento de facer valer a súa obra diante da Academia. En 2012 a AELG organizou unha homenaxe por mor do seu 50 aniversario no que tamén reclamou a atención da rúa Tabernas. "O gran problema é que morreu moi novo e non tivo tempo desgrazadamente a ter unha extensa traxectoria, pero gañou varios premios, publicou varios libros e mesmo foi traducido, así que consideramos que pode ter méritos abondo para ser tido en conta", defende Xaneiro. Efectivamente, Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro, 1962-1986) morreu con tan só 24 anos, pero deixou publicados poemarios salientados pola crítica como 'Os días olvidados' (Algalia) e 'O corpo e as sombras' (Caixa Ourense), ambos os dous en 1985. E en prosa publicaría ao ano seguinte 'Libro das viaxes e dos soños' (Vía Láctea). Postumamente publicouse 'A morte presentida' (Sotelo Blanco, 1988), alén da súa obra completa aos dez anos da súa morte en Espiral Maior, que levou por título 'Gramática do silencio', que tamén sería traducido ao español por Rinoceronte en 2007. En 2000 Espiral Maior publicaría de novo unha selección da súa obra en edición bilingüe. Ademais, foi finalista e gañador de varios premios, como o do Facho en 1983 ou o Celso Emilio Ferreiro dese ano. O Concello de Dodro creou un premio de poesía que leva o seu nome, así como o público do municipio. |
QUEPASA_855 | Xa en 2011 recordámolos aló enriba,"colgados" no alto da fervenza do Xallas, botando ata unha partida nas cadeiras que subiran. E este pasado mes de agosto, algúns afotunados puideron volver a ver a uns "colgados" escandando o Coadoiro. | Son amantes da escalada, e o feito de rubir unha parede puramente vertical, nun lugar tan emblemático coma este, son razóns suficientes para lanzarse ao desafío. Son o bombeiro de Negreira Rubén Suárez Carballo, e o fisterrán aficando en Salceda de Caselas, Fran Lijó, compañeiros na academia Seganosa como instrutores en rescate en altura e contraincendios. Fran colle o relevo de Jorge Fernández, pioneiro na causa xunto a Rubén. A expedición tivo lugar o pasado 23 de agosto. Para chegar tiveron que mollarse nas frías augas da enseada e aseguran que nin o traxe de neopreno impediron que saltasen coma troitas. Tiveron que ir colocando a modiño os parabolt inox plx (os amarres que se furan na rocha necesarios para ir colocando os arneses) para ir escalando a mollada parede costeira. Ao final, alí estiveron un rato, a 156 metros do auga, disfrutando dunhas vistas que poucos poden degustar. E por suposto, gozar da sensanción única que provoca o rapel. "Neste lugar a vista sobre a gran cascada do Xallas é xa soberbia, metidos de cheo nunha paisaxe tan espectacular como aterrador", recoñece Rubén. Os valentes amantes da escalada, teñen en todo caso a ruta marcada no blog de Rubén para probar. |
NOS_44997 | O Banco Mundial é o destino máis factíbel para o ex ministro español de Industria, José Manuel Soria, quen se vira na obriga de apresentar a súa demisión após verse relacionado co escándalo dos "Papeis de Panamá". O Goberno do PP propono como candidato español dos 25 de varios países que optan a ocupar a cadeira. | Uns minutos após a segunda votación do debate de investidura no Congreso, o Ministerio de Economía daba a coñecer o nome do candidato español a ocupar unha cadeira na dirección executiva do Bando Mundial para o período entre o 1 de novembro e o 31 de outubro de 2018: José Manuel Soria. O candidato proposto polo Goberno español tivo que demitir como ministro de Industria por verse implicado na polémica dos "Papeis de Panamá". Na documentación, Soria aparecía como administrador dunha sociedade rexistrada na illa de Jersey, un paraíso fiscal. Aliás, esa sociedade, Mechanical Trading Limited, era accionista maioritaria, cun 80%, de Oceanic Lines, unha empresa na que Soria recoñeceu ocupar o cargo de presidente. |
PRAZA_16343 | Os herdeiros inician os trámites para vender o inmoble, aínda que nin o Concello de Sada nin a Xunta teñen información ningunha. A Deputación da Coruña advirte das intencións por "desprenderse dun ben conseugido de maneira ilícita" e a CRMH lembra que o inmoble "é do pobo galego". | A familia de Francisco Franco vén de iniciar os trámites para a venda do Pazo de Meirás. Segundo asegura o diario ABC, de fontes próximas aos herdeiros do xeneral fascista, terían xa solicitado a taxación do inmoble que foi doado ao diador en 1938 mediante coaccións e represión en plena guerra civil, tal e como acreditan numerosas fontes e documentación e o estudo publicado recentemente por Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo. Aínda que non se coñece o prezo, outros medios aseguran que sería de 8 millóns de euros. A morte da única filla de Franco tería levado á familia a decidir desprenderse do Pazo de Meirás Empregado durante anos como estancia de vacacións estivais dos Franco, a morte o pasado 29 de decembro da única filla do ditador, Carmen Franco, tería levado a familia do ex-xefe do Estado durante a ditadura á venda dun inmoble que acumula moreas de incumprimentos nas súas visitas como condición por ser Ben de Interese Cultural (BIC) e que este verán pasaron a ser xestionadas pola Fundación Francisco Franco, que non dubidou en afirmar que empregaría a ruta polo Pazo para gabar a figura do xeneral fascista. Malia a presión social e política dos últimos anos, os Franco negáronse sempre a ceder Meirás, ao tempo que nin desde a Xunta nin desde o Goberno central se levou a cabo iniciativa ningunha para revertelo para o pobo, tal e como reclaman desde hai tempo a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, o Concello de Sada -onde se asenta- ou a recentemente constituída Xunta pro Devolución do Pazo. Precisamente, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, denunciou que o anuncio de venda do Pazo de Meirás por parte da familia de Franco supón a "constatación de que os traballos da Xunta pro Devolución do Pazo -impulsada pola institución provincial- van por bo camiño". Ademais, afirmou tamén que isto "non modifica a estratexia que se está a seguir" e que nas próximas semanas estará o informe xurídico que sinala os pasos para que o inmoble pase a ser ben público. A Deputación da Coruña advirte do intento dos Franco por "desprenderse dunha propiedade resultado do saqueo ao pobo galego" Goretti Sanmartín lembra que a celeridade da familia Franco responde a "querer verse libre dunha propiedade que é resultado do saqueo ao pobo galego e que é o centro dunha demanda social". Que apenas mes e medio despois da morte da filla do ditador, os fillos decidan vender o Pazo de Meirás explícase débese, segundo a vicepresidenta da Deputación, "a unha vontade de querer desprenderse dun ben que conseguiron de maneira ilícita e está a ser reclamado social e institucionalmente". Consultado por Praza.gal, o alcalde de Sada, Benito Portela, recoñece que coñeceu a noticia da intención da venda do Pazo por parte dos Franco "pola prensa" e que non ten "información ningunha" sobre esta posibilidade. Con todo, lembra que é a Xunta quen ten "o dereito de tanteo" no caso de que a familia do ditador chegue a algún acordo para se desfacer do inmoble. A Xunta e o Concello de Sada confirman que non teñen información ningunha sobre as intencións dos Franco Precisamente, a Consellería de Cultura aclara a Praza.gal que as supostas intencións son "unha cuestión privada que se coñece a través dos medios de comunicación". "Non hai ningunha constancia nin ningunha comunicación formal nin informal por parte da familia Franco sobre o desexo de vender o Pazo de Meirás", lembran. Ademais, insisten en que "a vontade política de Galicia, manifestada no acordo parlamentario do pasado 27 de setembro, céntrase en procurar incorporar ao patrimonio público a propiedade das Torres de Meirás, sen que a esta incorporación ao patrimonio público implique un novo custo para o pobo de Galicia, que xa o asumiu no ano 1938". "Trátase dun acordo que reflicte o sentir xeral da sociedade galega de non pagarlle a familia Franco por este inmoble", reitera. O BNG, nas redes sociais, xa amosou o seu rexeitamento ás intencións da familia Franco. "O Pazo de Meirás é patrimonio do pboo galego; é un Ben de Interese Cultural e non se vende. Que nos devolvan o roubado!", din. Ademais, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña advirte de que o inmoble "non se merca" porque "é de quen o pagou, o pobo galego". Así, chama á cidadanía a "manifestar a súa clara vontade de que o Pazo pase a mans públicas". |
NOS_47312 | Noxo e indignación entre a veciñanza ao comprobar como a contorna do santuario de Santo André de Teixido virou nun tendal de máscaras e panos usados. | Segundo manda a tradición, quen vai de vivo a Santo André de Teixido debe parar na fonte dos tres canos e pedir un desexo antes de beber auga. Tamén pode acompañar esa petición doutro ritual: tirar unha faragulla de pan. Se aboia, o santo intercederá polo peregrino para responder á súa devoción, se se afunde, a súa solicitude non será atendida. Mais ninguén avala unha tradición inexistente que derivou nun "costume absurdo" tras a pandemia e que ameaza aínda máis a paisaxe natural de Teixido. Un problema sanitario e mediomabiental Antes da Covid, a veciñanza xa lidaba contra a manía de quen acode ao santuario de Santo André de colgar panos húmidos na contorna da fonte dos tres canos, nunha sorte de varanda onde os deixan a enxugar. Ninguén na zona recoñece este ritual como parte da tradición, un uso que deu pé a un conflito maior tras a aparición do coronavirus. Que noxo é isto?????? En San Andrés de Teixido, a xente colgando mascarillas e toalliñas… Todo o que nos pase é pouco. pic.twitter.com/BAAfJf0U9S— a Laura (@nai_rosapink) August 18, 2021 As persoas devotas do santo que acoden a Teixido inzaron o tendal de máscaras empregadas para protexerse da Covid. Panos e máscaras saturan a contorna dando orixe a un problema medioambiental mais tamén sanitario. O noxo e indignación levou a veciñanza a elevar o ton fronte a este hábito que ameaza Teixido e tradición propia do santuario. Nas redes sociais proliferan as mostras de desaprobación e as chamadas de atención aos peregrinos que se achegan ao templo de Santo André, no concello de Cedeira. Chamamento á responsabilidade O recriminación tamén chega desde a Administración local. "A Santo André de Teixido vai de morto quen non foi de vivo, e quen deixa máscara ou pano terá mala sorte durante un ano", asegura o Concello con retranca na súa páxina de Facebook. Mais tamén apela a seriedade para acabar cunha usanza que nada achega ao interese de Santo André de Teixido. "Non coñecemos a orixe deste absurdo costume de deixar un pano colgado en Teixido, pero é ben sinxelo decatarse de que o único que se consegue é ensuciar e contaminar un contorno fermoso. Ten sentido común e leva o teu pano e a túa máscara de volta contigo", reclama. |
PRAZA_11745 | "A imaxe de tres grupos progresistas asinando un acordo orzamentario, un acordo de mandato, ten que ser a imaxe normal no escenario político. E non só a nivel municipal", subliña a alcaldesa da Coruña sobre unhas contas que roldarán os 260 millóns de euros e que prevé ter en vigor no inicio de 2020 | "PSdeG-PSOE, Marea Atlántica e BNG acordamos sumar esforzos e construír unha maioría de carácter progresista e galeguista co obxecto de sacar adiante os orzamentos para o ano 2020". Así conclúe o documento rubricado este luns pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, coa voceira da Marea Atlántica, María García, e mais o seu homólogo do Bloque, Francisco Jorquera, que segundo afirmaron os tres desembocará, a comezos de 2020, na aprobación das contas públicas do municipio co voto a prol de 17 dos 27 edís da corporación.Inés Rey: "A imaxe de tres grupos progresistas asinando un acordo orzamentario, un acordo de mandato, ten que ser a imaxe normal no escenario político. E non só a nivel municipal"Tras a sinatura de senllos acordos de inicio do mandato do grupo que sustenta ao goberno coa Marea e o PSdeG, as tres forzas están a pechar un orzamento que roldará os 260 millóns de euros e fano cun pacto que, admite Rey, pretende ser tamén unha mensaxe política. "Estas imaxes inéditas téñense que converter en normalidade; a imaxe de tres grupos progresistas asinando un acordo orzamentario, un acordo de mandato, ten que ser a imaxe normal no escenario político". E ten que selo, agrega, "non só a nivel municipal".Á espera de coñecer as magnitudes exactas do orzamento, que pasarán pola vindeira Xunta de Goberno Local, a rexedora afirma que terán un carácter "netamente progresista" e reforzarán "tanto o investimento como o gasto social. Neste ámbito, subliña, inclúese a gratuidade das escolas infantís municipais incluído en anteriores pactos coa Marea. A voceira da que foi formación gobernante ata o pasado xuño, María García, sinala precisamente esta medida como mostra de que as contas "servirán para mellorar a vida da xente". "A cidadanía deunos un mandato claro, de entendernos e chegar a acordos, e hoxe estamos a cumprilo", subliña a edil da Marea. Nun sentido semellante expresouse Jorquera na comparecencia conxunta, na que subliñou a "unanimidade" nas bases do BNG local para dar o voto favorable. "O que máis nos preocupaba non eran as fotos, era facer posíbel un acordo que fose bo para a cidade; e teño que dicir que estamos satisfeitos co resultado", conclúe o nacionalista.Os eixos das contas e reacción do PPAlén da interpretación do pacto por parte de cada forza, PSdeG, Marea Atlántica e BNG sinalan que as "bases políticas e programáticas" do seu acordo pasan por eixos como a "dinamización económica", o "benestar social" e a "mobilidade urbana", as "políticas de igualdade" e, ao tempo, a "defensa dos intereses da cidade" ante os gobernos galego e central. Baixando ao concreto, avanzan, as contas contemplarán medidas como a ampliación das partidas do servizo de Axuda no Fogar ou da renda social municipal ou de políticas de igualdade.O acordo contempla medidas como a gratuidade das escolas infantís ou a "reforma global do mapa das liñas de autobús urbano"Asemade, aseguran prever máis investimentos nos barrios da cidade, reforzar a rede de centros cívicos ou unha reformulación "global" do "mapa das liñas de autobús urbano" para "aumentar as frecuencias nos barrios peor comunicados" e "nos principais nodos de actividade diaria". "Redeseño de vías, prazas, parques e rotondas" priorizando a circulación peonil ou "reforzar o compromiso das políticas municipais coa cultura e a lingua galega" son outros dos aspectos que destaca o acordo.Segundo avanza a alcaldesa da Coruña, o proxecto de Orzamentos empezará o seu trámite "nos vindeiros días" na Xunta de Goberno Local. A falta do peche dos "últimos documentos administrativos", di, o inicio e levalos a pleno extraordinario "no inicio do ano".O que para as tres formacións asinantes do acordo este é un exemplo de pacto progresista, para o PP local, en plena transición tras a dimisión da que ata agora era a súa voceira, Beatriz Mato, este é un pacto escuro e froito da "chantaxe", en verbas do concelleiro Roberto Rodríguez. Segundo Rodríguez, antigo alto cargo da Xunta nos tempos de Mato como conselleira, este non merece ser denominado "pacto á coruñesa", senón máis ben "pacto á siciliana", en referencia á mafia. |
PRAZA_5890 | A Audiencia Nacional condenou a Carlos Calvo Varela a doce anos de privación de liberdade por delitos de pertenza a organización terrorista (Resistencia Galega) e posesión de explosivos ao servizo desta organización, coa única proba da confesión en xuízo do outro acusado, Xurxo Rodríguez, que chegara previamente a un acordo coa fiscalía para lle rebaixar a pena á metade | Nicolau Eimeric, nado en Xirona en 1334, inquisidor xeral da Coroa de Aragón, foi autor dun dos tratados máis famosos sobre o oficio inquisitorial e, na reflexión sobre o valor das delacións dos cómplices do acusado, desbotaba de xeito taxativo o seu peso como única proba no proceso xudicial. Desgraciadamente, o dereito de emerxencia construído por algúns Estados pretensamente democráticos no s. XX rebaixou moito este enganido listón probatorio até o punto de que, no nome da loita antiterrorista, se validou a posibilidade de aceptar como única e senlleira proba dunha condena a declaración dun arrepentido. A Italia dos 80 e 90 do século pasado foi o auténtico campo de adestramento desta excepción procesual que se atopa vetada como tal noutros países en que se esixe sempre que haxa confirmación do que explica o delator alén da súa propia declaración e que esta se filtre nun interrogatorio cruzado con quen for acusado, como acontece por exemplo na tradición anglo-saxoa. A sentenza, redactada por Fernando Grande-Marlaska e co voto en contra dun dos tres maxistrados que formaban o tribunal, sitúase así na vangarda do dereito de emerxencia contemporáneo A Audiencia Nacional española condenou este mes de maio de 2014 o mozo Carlos Calvo Varela a doce anos de privación de liberdade por delitos de pertenza a organización terrorista (Resistencia Galega) e posesión de explosivos ao servizo desta organización, coa única proba da confesión en xuízo do outro acusado, Xurxo Rodríguez, que chegara previamente a un acordo coa fiscalía para lle rebaixar a pena á metade, tal como asumiu o Tribunal, a cambio de modificar o sentido das suas declaracións, que sempre foran de exculpación de Carlos Calvo, e convertelas en incriminatorias. A sentenza, redactada por Fernando Grande-Marlaska e co voto en contra dun dos tres maxistrados que formaban o tribunal, sitúase así na vangarda do dereito de emerxencia contemporáneo, mesmo alén das solucións desesperadas dos tribunais italianos nos anos de chumbo, e a verdade é que aos que o vivimos na primeira liña derrúbanos todos os esquemas. Pódenlle ofrecer a alguén a rebaixa dunha pena á metade (a Xurxo Rodríguez impuxéronlle seis anos de privación de liberdade) a cambio de mudar as súas declaracións. Esta persoa declara no xuízo negándose a responder as preguntas do avogado do outro acusado (e por tanto extirpando calquera hipótese de contradición da proba como esixiría o principio de xustiza mais elemental). E todo isto, sen máis, pásase a imprimir nunha sentenza cunha pena propia dun delito de homicidio. Isto si que resulta un auténtico atentado contra o sentido común e contra a inocencia de alguén que, como Carlos Calvo, sempre negou ter ningún tipo de relación con organizacións de tipo terrorista ou semellante e de quen os mesmos axentes que actuaron no xuízo puideron acusar como moito de facer parte do universo do independentismo galego. Cústame moito non pensar na Inquisición e de aí a cita do principio. O sufrimento que se provocaba nos xustizábeis polo Santo Oficio facía que os cidadáns fosen quen de aceptar como propia a máis abominábel das herexías Cústame moito non pensar na Inquisición e de aí a cita do principio. O sufrimento que se provocaba nos xustizábeis polo Santo Oficio facía que os cidadáns fosen quen de aceptar como propia a máis abominábel das herexías. O sistema de pactos coa fiscalía da Audiencia Nacional hoxe pódelle facer declarar a calquera herexe o mais terríbel dos crimes con respecto a calquera outro acusado, a cambio de non sufrir o tormento dunha pena alongada e dos premios previstos na lexislación antiterrorista para os arrepentidos colaboradores. Neste caso o sufrimento non é físico, mais a coacción ao dereito á libre declaración é a mesma. E o máis grave, a inocencia daquel contra quen se vira a delación non sabe como facer para sobrevivir a iso. Carlos Calvo, vémonos no Tribunal Supremo. |
NOS_56491 | "Non me sentía unha faragulla de fariña para que me tivesen que amasar", proclama con calma desafiante Luz Fandiño. Ela é 'A poeta analfabeta' á que fai referencia, tomando prestado un dos seus propios versos, o documental que Cósmica Producións (Nati Juncal e Sonia Méndez) estreaba onte en Cineuropa (Compostela). Esta peza abre as portas do lar dunha icona da resistencia e do feminismo. Esa Luz sensíbel, valente, solidaria e 'punki', que goza partillando a súa experiencia coas xeracións máis novas. | Hoxe estréase en Cineuropa (Compostela) unha peza moi agardada na cidade, A poeta analfabeta, un documental de Cósmica Producións arredor dunha figura tan emblemática como querida: Luz Fandiño. As entradas esgotábanse axiña, entre a expectación e unhas prazas tan reducidas. Mañá, cun segundo pase, serán outras 30 as privilexiadas que poidan velo. Descubrir unha icona O filme arrinca con imaxes gravadas co móbil por Sonia Méndez, a directora, na presentación dun dos seus poemarios. Era a primeira vez que vía a Luz Fandiño. A idea de facer un documental arredor dela foi de Nati Juncal, a outra metade de Cósmica. Ela, produtora, coñeceuna como "figura omnipresente" nos movemenros sociais de Compostela. De esquerda a dereita, Lucía C. Pan, Luz Fandiño, Sonia Méndez e Nati Juncal. Foi ao pouco de mudarse á capital, a través dunha amiga súa. "Marchara a vivir cos seus tíos e díxome: tes que coñecer a nosa veciña", conta. "Luz é unha persoa que xera moita fascinación. Non coñecía ninguén do seu tempo así, de feito ela sempre di que non ten amigas da súa idade", asegura Juncal. E é que o espírito luminoso de Fandiño achégaa á mocidade. Méndez tamén ficou alucinada: "É unha muller que irradia moitas cousas, unha persoa preto dos 90 con esa enerxía, esas ganas de loitar e de vivir, con tanto que comunicar". Unha das cousas máis sorprendentes para a directora foi descubrir, de primeira man, que Fandiño estivera "en tantos momentos da historia, pero sempre como pobo", desde a emigración ás revoltas de maio ou o retorno á Galiza de Castelao. A súa é unha experiencia que resume unha xeración. "É a persoa máis punki que coñezo", sentencia Sonia Méndez "É a persoa máis punki que coñezo", sentencia a directora, en referencia, por exemplo, ao seu labor de autoedición. "A primeira vez que a quixeron publicar cambiáronlle unha palabra e nunca quixo saber máis...", conta Méndez. Para Juncal era interesante que se achegase a Fandiño alguén que non a coñecese de nada, coa ollada limpa, para que entrase tamén en xogo no audiovisual ese proceso de descubrimento. O da produtora foi máis un "recoñecemento": "Para min Luz segue sendo a que coñecín con 60 e pico anos, agora vina nesta faceta de vellez, na que di que comeza a ser feliz. O doméstico universal O documental artéllase principalmente nos espazos domésticos, coñecémola tamén polos obxectos que acumula quen nunca tivo nada. "O espazo da súa casa é como unha especie de museo da súa vida", comenta Méndez. Alí habitan os recordos dunha muller que procuraron retratar desde unha óptica íntima e cotiá. "Ti coñeces a Luz que vai ás manifestacións e se enfronta á policía, pero tamén hai unha Luz que tende a roupa", afirma Méndez "Ti coñeces a Luz que vai ás manifestacións e se enfronta á policía, pero tamén hai unha Luz que tende a roupa", afirma, "esoutra parte universaliza tamén o retrato". Pois se a poeta centra o título do audiovisual, non é a única protagonista. Con naturalidade sempre Fandiño atavíase para saír na imaxe: unha medalla do Che ao carón doutra de Rosalía. Non ten reparo en ser filmada. Juncal tampouco tiña dúbida, xa a vira noutras producións. As únicas cámaras que lle dan medo son as dos que nos controlan, afirma. Á naturalidade coa que se mostra na pantalla contribúe o traballo fóra de campo, nun equipo moi reducido que, ademais de por Méndez e Juncal, estaba formado pola directora de fotografía (Lucía C. Pan) e alguén de son. Mais moitas veces ficaba a propia directora soa con ela. Así comparece a intimidade absoluta, os intres nos que a relaidade alumea o camiño. Esa Luz que coloca as flores, fascinada pola súa beleza. Méndez refire neste senso un traballo con esas "capas de verdade e do cotián". A primeira é máis sinxela, pero as horas van retirando coirazas para chegar ao profundo, un proceso que nutre o filme en varias dimensións, aínda que moitos deses momentos deban ficar fóra. Dunha banda está a propia historia de Fandiño, un documento vivo. Da outra, a directora que grava o documental e a descobre a través da cámara e a ollada. A rodaxe comezaba o 25 de xullo do ano pasado. Logo do confinamento, en xullo, aínda gravaron algunhas cousas para cubrir ocos. E é que o tempo de encerro, a pausa, serviría para darlle moitas voltas ao filme, que tornou noutro. Segundo relata Juncal, volveuse "menos formal". Entra así a directora no discurso e aparece a chispa máis prosaica. "Priorizamos a narrativa, mostrar a persoa, desbotamos a idea de que todos os planos tivesen que ser perfectos". Vidal Bolaño, o biógrafo que non foi Unha das fontes máis sorprendentes das que bebe o documental son as fitas que gravou en 1980 Roberto Vidal Bolaño, coa idea de facer unha biografía sobre Luz Fandiño, rescatadas grazas á axuda da súa compañeira, Belén Quintáns. "Priorizamos a narrativa, mostrar a persoa", relata Nati Juncal "Luz contaba que traía dúas e tivo que baixar a mercar seis máis", di Juncal. Foi para ela moi interesante escoitar estes documentos desde a distancia, pois aprécianse mudanzas nas cousas ás que a poeta outorga importancia, se cadra tamén porque as preguntas de Bolaño apuntaban noutra dirección, máis centradas na súa traxectoria vital. "A medida que envelleces vas cambiando de perspectiva", reflexiona a produtora. O recordo da nai e da avoa dominan o relato, cos afectos no primeiro termo. "Miña nai era revolucionaria. Ela cantoume a internacional", explica no documental. O pobo vencerá "É unha muller que cre que o pobo vai vencer, non ten esa idea posmoderna de 'non ides gañar pero loitade igual'. Ela segue aí, convencida de que vai pasar. Tamén viu avances", describe Méndez lembrando a emoción de Fandiño un 8 de marzo, ante o seguimento masivo dunha manifestación. "Poderías facer 30 documentais diferentes con ela. Xa só co noso material daría para seis", di Juncal Juncal, logo do seu empeño en facer este filme, aínda non pode valoralo con perspectiva, mais pensa que conseguiron, cando menos, "deixar un testemuño do legado de Luz. Poderías facer 30 documentais diferentes con ela. Xa só co noso material daría para seis". Porque Luz é moita Luz. |
PRAZA_17554 | Andrea González vén de defender o traballo na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Destaca que o seu obxectivo é "que non se perda un tesouro tan valioso para a nosa cultura, posto que as expresións figuradas son cada vez menos usadas e coñecidas, sobre todo nas xeracións máis novas" | "Faite ovella e comerate o lobo", "Gordo coma un becerro", "Chámame can e bótame pan", "Ir de burra e volver de albarda", "Se é un can, mórdeche", "Ser coma o burro do arrieiro", "Ás veces a carne está no prato por falta de gato", "Nunca o can traba a cadela", "Cara de beato e unllas de gato"... e tantas e tantas outras. A investigadora Andrea González vén de presentar na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo a súa tese de doutoramento, titulada Os animais vistos polos galegos: análise das expresións figuradas galegas que retratan o mundo animal. O traballo analiza 1317 expresións e frases galegas que teñen como referentes os animais e que son froito do baleirado de dicionarios galegos, tanto de carácter xeral como especializados en fraseoloxía, e da realización de máis de 300 enquisas. Agora, a base de datos resultante da investigación, agrupada por animais e temas, queda a disposición da comunidade investigadora interesada en consultar este aspecto da fraseoloxía e da fala popular. O obxectivo é "que non se perda un tesouro tan valioso para a nosa cultura, posto que as expresións figuradas son cada vez menos usadas e coñecidas, sobre todo nas xeracións máis novas" "O estudo permite recuperar unha parte da historia da Galicia rural que hoxe en día parece cada vez máis esquecida", explica a autora, que destaca que o obxectivo do seu traballo era "que non se perda un tesouro tan valioso para a nosa cultura, posto que as expresións figuradas son cada vez menos usadas e coñecidas, sobre todo nas xeracións máis novas, polo que moitas delas desaparecen coa morte das persoas anciás". De feito, Andrea González inicia a súa tese cunha dedicatoria moi especial: "ao rural galego", que acompaña dunha fotografía da súa propia familia, décadas atrás, posando cos cans existentes na casa. Na súa investigación, González que os animais domésticos -can e gato- son os que con máis frecuencia aparecen na fraseoloxía e expresións populares, seguidos do burro. Xa a moita distancia, aparecen boi/vaca, becerro/cuxo/xato/xovenco, touro e lobo/loba. En canto ao significado das expresións ou á característica animal que se quere destacar na frase feita, o can relaciónase con agresividade (29 exemplos), precariedade/mala vida (16), gula (15) ou preguiza (14). O gato, pola súa banda, faino con gula (15), agresividade/fereza/voracidade (11) ou falsidade (7). E o burro con estulticia (15) e teimosía/insistencia (7). Chama atención, igualmente, que os galegos e galegas empregan os referentes animais para vehicular valores maioritariamente negativos (43,44%), e, en menor medida, neutros (32,77%) ou positivos (23,77%). Can e gato son os animais que con máis frecuencia aparecen na fraseoloxía e expresións populares, seguidos do burro, de boi/vaca, becerro/cuxo/xato/xovenco, do touro e de lobo/loba Na propia tese pódese facer unha procura expresión por expresión, agrupadas por tipoloxías, polo animal que nelas aparece ou polo seu significado. Así podemos ver que o valor de agresividade/ira/fereza está representado sobre todo polo lobo/loba; a gula polos cans, cadelas, gatos e gatas; a intelixencia polos cans/cadelas, o mesmo que a preguiza ou a boa vida; a falsidade polo gato/gata e lobo/loba: a maldade polas víboras; a astucia polos raposos/raposas; a mansedume polos cordeiros e ovellas; a estulticia polos burros e burras; e a rudeza polos porcos e porcas. Das 1317 expresións analizadas, 264 son expresións monoverbais (cabalón: persoa de modais pouco refinados), 257 locucións non comparativas ("coller o porco polo rabo": cometer unha equivocación), 575 locucións comparativas ("humilde coma unha ovella"), 180 refráns ("o can vello, se ladra, dá consello"), 27 fórmulas ("a burra déitase!": cando alguén se rende) e 14 dialoxismos ("díxolle o corvo á pega: bótate alá, que es negra"). Empréganse os referentes animais para vehicular valores maioritariamente negativos (43%), e, en menor medida, neutros (33%) ou positivos (24%) A autora destaca, igualmente, que "as expresións figuradas analizadas presentan imaxes procedentes de escenarios rurais, en grande medida do pasado, polo que o comportamento do animal que funciona como referente das ditas expresións será distinto, ou simplemente interpretado de xeito diferente ao actual, moi en especial, aínda que non só, nun ámbito urbano". Podes descargar aquí a tese (.pdf) |
NOS_3112 | Detectan dous novos casos en Móntea Tecla da Guarda e outro na DomusVi de Vimianzo | O goteo de altas entre persoas usuarias das residencias de maiores mantén á baixa este domingo o global de casos nestes centros, que contabilizan un total de 118 residentes infectados, 15 menos dos que había 24 horas atrás. Así figura no último parte diario ofrecido pola Consellaría de Política Social, que informa de tres novos positivos en centros de maiores: dous na residencia Monte Tecla da Guarda e un na DomusVi Vimianzo. Pola contra, saen do cómputo un total de 18 usuarios de residencias ao dar negativo. Once deles son residentes na Soremay de Pontevera, seis na Vila do Conde de Gondomar e un na San Salvador de Guntín. Con esta actualización, a Residencia Pontevedra de Vilaboa pasa a ser, con 20 casos, o centro máis afectado pola pandemia, posto que correspondía até este domingo á Soremay de Pontevedra que, coas novas altas, pasa ter 18 casos. Após estas atópase o CRAPD Vigo II, con 14 casos. O resto de residencias mantense por baixo da decena de casos, coa Vila do Conde de Gondomar e a San Cristovo de Cea con 9. Séguenlles a Cesantes de Redondela (8), a San Antonio de Beariz (7), a San José de Narón (7) e a DomusVi Vigo (7). Así mesmo, hai catro persoas contaxiadas en Móntea Tecla da Guarda, tres en San Salvador de Guntín e en Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, tres en Vivenda Comunitaria de Castrelo de Miño, dúas en Asilo Vilalba, e unha, respectivamente, na Servisenior de Brión, na San Cibrao de Cervo, a DomusVi Vimianzo e no CRAPD Vigo I. Persoal traballador O cómputo global sobe a 125 infectados entre o persoal traballador de residencias, após rexistrárense catro positivos (dous en CRAPD Vigo I, un en San Bartolomeu de Xove e outro na residencia de Covelo) e unha alta, a dun empregado da Vila do Conde de Gondomar. Ademais, Política Social tamén desconta a un traballador da residencia de maiores de Oleiros porque a súa PCR positiva "é de antes de que se incorporase ao centro". Así, o cadro máis afectadas este domingo é a do Asilo Vilalba, con 13 traballadores. Centros de persoas con discapacidade Pola súa banda, os centros de atención á discapacidade (CAPD) non presentan este domingo usuarios infectados por Covid-19 ao dar negativo o seis residentes do CAPD de Sarria que figuraban como únicos activos até a data. En canto aos cadros destas instalacións, continúan enfermos de Covid-19 dous empregados do Fogar San Rafael de Vigo, un do centro de Sarria, un en San Vicente de Paúl de Lugo e outro en Souto de Leixa de Ferrol. |
NOS_9371 | Concentráronse diante da sede da compañía en Compostela. | O comité de empresa de Televés no centro de traballo de Conxo en Compostela e as centrais sindicais CIG, UXT e CCOO amosaban a través dun comunicado o pasado mes de novembro a súa "máis rotunda indignación" polos despedimentos producidos o pasado 31 de outubro de dous membros do seu cadro de persoal. Compañeiros, indicaban, con limitacións físicas e que nunca tiveran problemas para desenvolver os seus traballos e tarefas até, indicaban, o cambio de criterio da empresa. Esta cuarta feira traballadores e traballadoras de Televés concentráronse diante das instalacións da empresa en Conxo para denunciar a actitude da multinacional. Insisten en que "despediu uns compañeiros por teren unha limitación física e a outros por supostas causas organizativas" e exixen a súa "inmediata readmisión". O persoal de Televés amosou a súa indignación polo cambio de actitude da multinacional que até este último ano, recoñecen, se viña caracterizando "por ser un referente a nivel comarcal, nacional e mesmo estatal nas súas relacións laborais". Ademais manifestaron o seu "rotundo rexeitamento" polo despedimento dos dous compañeiros que, "por motivos de saúde", tiñan unha limitación física que, "até a data dos seus despedimentos, non lles impediu realizar o seu traballo e acadar un rendemento óptimo, segundo o sistema recollido no propio convenio colectivo". |
NOS_27032 | Son horas roubadas. Ao traballador ou traballadora que as ten que facer e non se lle remuneran, á caixa común da Seguridade Social, ás persoas no paro ás que se lles furta emprego cubríndoo a base desas horas extra que non se pagan, á familia e amizades da persoa asalariada que ten que 'meter' estas horas roubando tempo ao descanso ou desfrute. Na Galiza fanse máis de 26.000 horas extra cada día. | Na hostalaría, na construción, na banca, na industria, nos talleres, no xornalismo, no mar, no que se chama 'economía colaborativa' e na outra, no transporte, nos pequenos negocios de ámbito local ou comarcal e nas empresas punteiras e exportadoras. As horas ilegais [horas extraordinarias que non se remuneran] habelas, hainas. Na Galiza, aliás, nunha dimensión maior que na media do Estado español. Un problema que afecta o propio traballador ou traballadora mais non só. Tamén atinxe ao 'común' polo que teñen de fraude á Seguridade Social, ás persoas no desemprego, á seguridade e saúde laboral, á propia vida da contorna da persoa asalariada, etc... "Hai cálculos de que na Galiza cada día se traballan unha media de 45.000 ou 50.000 horas extraordinarias e que por volta de 26.000 o traballador non as cobra". Dío o técnico de emprego Pablo Varela. El propio estima que o desemprego na Galiza podería reducirse entre 8 e 10% se acabásemos coas horas ilegais e as extras as transformásemos en postos de traballo. Porén, todos estes cálculos hai que collelos con cautela, algo no que fai moito fincapé Manuel Mera, director da Fundación Moncho Reboiras e veterano loitador sindical: "O número real de horas extra realizadas e non pagadas multiplica en moito o que recolle a EPA [Enquisa de Poboación Activa]. Todos e todas as que temos un mínimo de relación co mundo do traballo sabemos que hai sectores enteiros da economía, moi intensos en man de obra, cando menos na Galiza, onde a realización de horas extra é unha imposición previa para acceder ao traballo". [Podes ler a reportaxe íntegra no número 315 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_25407 | As novas sobre a orixe do mapamundi do Beato de Manchester, tamén coñecido como Rylands, por atoparse custodiado na biblioteca da cidade británica dese nome, son escasas. | Malia non existir na copia ningunha referencia ao autor, ao lugar de realización ou á data, a práctica totalidade dos especialistas sitúan a súa elaboración entre 1175 e 1180, nalgún mosteiro da área burgalesa, polas semellanzas que garda cos traballos dos monxes do recoñecido escritorio de San Pedro de Cardeñas. Época: Finais do século XII / Autoría: Anónima / Conservación do orixinal: Biblioteca Jhon Rylands (Manchester) / Características: O máis suntuoso dos beatos A obra fixo parte durante séculos da importante biblioteca da casa de Altamira. Esta acumulou ao longo do tempo importantes fondos bibliográficos, boa parte deles procedentes de volumes propiedade das casas de Andrade e de Lemos, polo que non sería errado pensar que o beato pertenceu nalgún momento a algunha destas familias. As dificultades económicas levaron aos condes de Altamira a se desfaceren da súa destacada biblioteca durante o século XIX, o que incorreu na poxa realizada en París en 1870. Finalmente, o beato incorporouse ao catálogo da Biblioteca Jhon Rylands de Manchester en 1901. O mapa do Beato de Manchester está considerado como o máis suntuoso de toda esta tradición cartográfica. Segundo os expertos, trátase do mapamundi máis ilustrado, de estilo completamente románico e o único que chegou completo até hoxe. A obra encádrase na familia II b dos beatos, comezada polo Beato de Tábara. Porén, presenta as maiores semellanzas cos de Girona, Cardeña e San Andrés del Arroyo, até o punto de que algúns autores suxiren que con estes dous últimos conforma un corpo diferenciado. O deseño do Beato de Manchester agocha toda unha proposta ideolóxica. A iconografía é invariábel, que repite sempre un programa presente tamén na arte románica. A tendencia estética é cara á esquematización e ao expresionismo. O espectador ao mundo sobrenatural e divino. Neste liña, Serafín Moralejo ten sinalado como os mapas presentes dentro dos beatos compren unha función espiritual dirixida a favorecer a formación relixiosa dun grupo ou comunidade. O mapamundi do Beato de Manchester non recolle ningunha referencia a León e Castela. Se Gallecia (Galiza) é a denominación empregada para designar o reino cristián peninsular –aparece Asturias correctamente incorporada dentro da área galega como unha mera extensión da mesma– omítese calquera referencia a León ou Castela, malia ser elaborado no centro xeográfico do que a historiografía españolista considera como Castela. |
NOS_36704 | Iago Aspas despediuse emocionado do club no que xogou 141 partidos e meteu 43 goles. "O que son como futbolista débollo a esta afección" | Iago Aspas deixa o Celta para iniciar unha nova travesía futbolística no Liverpool. Un salto profesional innegábel. Deixa o Celta mais non o celtismo. Emocionado, o de Moaña despediuse da afección celeste nun pequeno acto en Balaídos. A vindeira semana viaxará a outra cidade obreira e portuaria, Liverpool, para comezar a preparación física no club que leva o nome da cidade. Aspas manifestou na súa despedida que "o que son como futbolista débollo a esta afección". Non quixo entrar a falar sobre o sarillo de axentes e representantes ("non quero darlles de comer"). O de Moaña recoñece que "o meu soño é ser internacional" e non considera que o non saber inglés supoña un problema no inicio da andaina no Liverpool: "A linguaxe do fútbol non ten fronteiras". |
NOS_29117 | Dous membros da sección sindical da CIG en PSA-Citroën iniciaron unha folga de fame indefinida como medida de protesto polo despedimento de dous traballadores afiliados do sindicato nacionalista. | A folga de fame iniciouse ás 6 horas do día 1 de xullo en protesta polo que cualifican como despedimentos "inxustos" e "sen precedentes" de dous traballadores, afiliados á CIG, da fábrica PSA-Citroën. Os dous membros da sección sindical da central nacionalista desenvolven o protesto nas instalacións do servizo médico da propia factoría de Vigo. A CIG defende a falsidade dos argumentos da empresa que explica os despedimentos por incumprimento en materia de seguridade mais, segundo aseguran, non se detectaron consecuencias nos vehículos fabricados. A folga de fame indefinida é a medida de protesto coa que a sección sindical da CIG responde á decisión da empresa e esixe a readmisión dos dous traballadores despedidos. Aseguran que non hai precedentes a estes despedimentos que, segundo sinalan, carecen de fundamento. "Nunca se tomou unha medida tan drástica sen existir sancións previas", sinalan. Concentracións ás entradas e saídas Para apoiar os sindicalistas en greve de fame e contribuír ás medidas de presión para esixir a readmisión dos despedidos, esta cuarta feira están convocadas concentracións ás entradas e saídas das quendas a partir das 13.15 horas na porta principal de PSA-Citroën. |
NOS_6113 | Este naufraxio constitúe un dos meirandes achados documentais para a historia naval de Galiza. O seu expediente fora arquivado na Capitanía Marítima de Ferrol, no mes de febreiro de 1815 e dende esta data ficou gardado nunha carpeta selada con lacre que se gardaba no AGMAB (Archivo General de Marina Álvaro de Bazán), un inmenso arquivo da Armada española situado na localidade de El Viso del Marqués (Cidade Real). Ao abrir esta cápsula do tempo que levaba dous séculos inalterada, o seu contido descubriunos un episodio abraiante acontecido entre os Estados Unidos de América e o Imperio británico, que se atopaban en guerra por segunda vez na súa historia. | Inglaterra e as súas colonias do Canadá, achábanse por segunda vez inmersas nun conflito bélico contra os Estados Unidos de América (EUA), unha nova nación que lle declarou a guerra o 18 de xuño de 1812, para invadir os territorios británicos canadienses, os cales levaban case medio século poboándose de habitantes anglófonos, mantendo paralelamente estes un importante intercambio cultural e comercial cos propios estados norteamericanos. Mais realmente, as verdadeiras causas que desembocaron nesta guerra residían no afogamento que supuxeron para os Estados Unidos de América as restricións comerciais que Inglaterra lle impuxo, por mor á custosísima campaña que os británicos mantiñan contra Francia en Europa, e o apresamento forzado de mariños mercantes estadounidenses para ser enrolados a bordo dos navíos da Royal Navy, cada vez máis escasa de homes a medida que avanzaba o conflito, xunto ao apoio interesado de Inglaterra ás tribos nativas de Norteamérica que se enfrontaban abertamente á propia expansión cara ao norte dos Estados Unidos, unha nova nación que na época que estamos a narrar, atopábase inmersa nunha guerra paralela co territorio norteafricano da Berbería que forman os actuais países de Marrocos, Túnez, Alxeria e Libia, berce de piratas, que se extendía dende o Océano Atlántico até o Mar Mediterráneo oriental, até as mesmas fronteiras con Exipto. Por mor ao desgaste de homes e de recursos na guerra contra Inglaterra, os EUA recomendaron aos armadores dos seus buques o pago dos rescates esixidos polos musulmáns. Este envalentamento dos berberiscos produciuse tras a expulsión de naves norteamericanas do Mar Mediterráneo polos ingleses, durante o transcurso da guerra que ambos países principiaron no ano 1812. A derradeira viaxe da fragata británica, Speed Ausente aos derradeiros intres bélicos que aínda depararía esta guerra no mar, a fragata mercante británica Speed, despois de cargar limóns, laranxas e algúns bocois de xofre a bordo no porto de Palermo (Sicilia), navegaba rumbo a Londres cando nos arredores do cabo Fisterra, concretamente na latitude 42,5º e lonxitude 13º e baixo o mando do capitán John Brown, o día 26 de novembro do 1814, foi interceptada e capturada pola goleta corsaria norteamericana Lion, de 278 toneladas de porte, propiedade de Thomas Louis, armador do porto de Baltimore, a cal montaba catro canóns sendo tripulada por 40 homes. Os famosos clippers de Baltimore, en esencia eran unhas goletas co seu casco en forma de "v" moi pronunciada; cascos moi manobrábeis nas bravas augas Atlánticas, sendo quen de acadar velocidades de 12 nós. Estas veloces naves foron quen de capturar centos de navíos inimigos, no decurso da guerra contra Inglaterra. Tras mariñar da embarcación norteamericana á presa británica unha tripulación de sete homes para que se fixese co mando desta última, nomeouse cabo de presa da fragata capturada a un tal Azor Louis, o cal trazaría unha derrota rumbo ás illas Terceiras das Azores, onde facer unha escala, para, posteriormente, cruzar o océano Atlántico e acadar un porto norteamericano onde poder entregar a nave apresada. Mais xa navegando polos Azores, produciuse un motín de seis membros da tripulación norteamericana da Lion a bordo da fragata inglesa Speed, tendo a sorte o cabo de presa de ser avisado por un dos cinco tripulantes británicos que estaban a bordo da intención dos amotinados de guindalo ao mar para facerse co mando da nave. Os sublevados serían encadeados e mantidos baixo custodia, o que diminuiría o número de tripulantes dispoñíbeis para a navegación da nave. Un gran temporal de suroeste impediría finalmente á fragata inglesa pór rumbo á costa leste dos Estados Unidos. A escaseza de tripulación, os danos sufridos no seu arboredo e o forte vento e as correntes, aconchábana de novo cara o litoral noroeste da Galiza, no cal agardaba o seu cabo de presa poder ancorar na ría de Ferrol ou na da Coruña, porto este último que os corsarios norteamericanos coñecían moi ben, pois se serviron del como base para exercer a súa actividade no Atlántico galego, antes, durante e despois dos anos que durou a Guerra da Independencia dos Estados Unidos contra Inglaterra, para interceptar navíos británicos procedentes das súas propias costas. Tras pasar unha terrorífica noite no medio do temporal, con gran parte do arboredo esnaquizado, a escasa dotación do navío estaba afanada o día 28 de decembro en tentar dobrar o cabo Prior que tiñan á vista. Cando por fin o acadaron o vento rolou nese preciso intre de suroeste a noroeste. O cabo de presa, Azor Louis, tentou á desesperada procurar un lugar para poder embarrancar o navío, mais a tempestade aconchou a Speed contra as pedras da praia de Ponzos, "parroquia de San Martín de Cobas, Arena de Pouzos" (así figura no orixinal) onde finalmente embarrancou violentamente, á tarde do día dos Santos Inocentes do 1814, índose de contado a pique. Un único supervivente O naufraxio da fragata inglesa, Speed, rematou en traxedia, falecendo 11 dos 12 tripulantes que ían a bordo; o único supervivente foi o cabo de presa, Azor Louis, de nacionalidade norteamericana que por súa vez logrou salvar algunha documentación que levaba consigo, composta por un certificado que o acreditaba como membro da tripulación do corso norteamericano Lion de Baltimore, asinado polo propio presidente dos EUA de entón, James Madison; o nomeamento estendido polo capitán corsario norteamericano do Lion ao propio Azor Louis, outorgándolle o cargo de cabo de presa da nave capturada e, unha certificación do seu propio goberno onde se acreditaba que era cidadán dos Estados Unidos de América. Esta documentación foi debidamente entregada tras o sinistro marítimo ao Axente norteamericano en Ferrol, Francisco Fernández e actuando de intérprete nas declaracións o presbítero, Miguel de O´Hara, para que os restos do navío Speed fosen entregados a Azor Luís, en representación do seu país. Un dos once tripulantes desaparecidos pertencentes á "dotación" desta nave, foi cuspido polo mar ao día seguinte da súa perda, sendo enterrado no mesmo areal de Ponzos. Os restos da nave embarrancada Foi tal o estado de deterioro en que quedou a fragata, que o mar reduciuna a achas nos días seguintes ao seu naufraxio. Foron numerosos os restos rescatados, tanto do seu casco, como do seu arboredo e carga dos que tanto as autoridades locais como a autoridade de Mariña de Ferrol se encargaron rigorosamente de rescatar, de inventariar, de custodiar e posteriormente, pasar os gastos de devanditas operacións ao vicecónsul norteamericano trasladado a Ferrol para aboar os pagos dos xornais dos veciños da zona de Covas que axudaron nas tarefas de rescate dos restos do naufraxio, na praia de Ponzos, sendo empregados: 4 carpinteiros e calafates, 45 mariñeiros, 9 peóns e 10 peóns cativos. Parte deses pagos abonáranse tras ser vendidos restos do naufraxio, custodiados á intemperie e que xeraban gastos de vixilancia, cuxo inventario e taxación se elevou a 3.201 reais. O navío levaba a súa quilla recuberta de pranchas de cobre Vai ser o propio supervivente norteamericano a bordo da fragata inglesa Speed, Azor Louis o que pida ás autoridades de Mariña de Ferrol que, acreditando a súa nacionalidade e a súa documentación como cabo de presa autorizado polo seu goberno, lle sexan devoltos todos e cada un dos restos salvados do naufraxio da súa nave, para proceder a súa venda de contado para evitar que a demora neste proceso desvalorice os restos do naufraxio, así como tamén se fai eco dos numerosos roubos que se están producindo nos depósitos procedentes dos restos recuperados da súa nave, denunciando ditos feitos e a desidia das autoridades na tardanza en resolver o expediente, diante do xuíz que leva o caso. Detalle do expediente de naufraxio Deste xeito comezaba a primeira folla do fabuloso expediente de naufraxio da fragata mercante británica Speed, que goza do privilexio, mentres a historiografía non diga o contrario, de ser o único pecio existente na costa galega pertencente á segunda guerra que enfrontou o Imperio británico contra a nova nación dos Estados Unidos de América, que estalou o 18 de xuño do 1812 e remataría o 24 de decembro do 1814 coa paz selada por ambas as dúas nacións, no Tratado de Gante. "S. Comandante: elguara Rivero de la Playa de San Martín de Covas da aviso de que ayer tarde senaufrago una corveta de tres palos en la arena de Ponzos en dicha plaia sesalvo tan solo que dice ser mericano yngles luego quebarco seyzo pedazos echando de si cogones de narangas sepusieron guardas yestas hasta que V.E. se sirva mandar loquesea desuagrado". San Martín de Covas 29 de diciembre de 1814 Por el guarda Rivero Tomás Deo...ro. Curiosamente, catro días antes de que se produza o naufraxio da fragata británica Speed na costa de Ferrol, asinaríase a Paz de Gante entre as dúas nacións en litixio. |
NOS_29723 | A pesar da campaña mediática que enxalza a axuda do ministerio de Defensa na loita contra os incendios forestais, a realidade é que malia o seu carácter público o exército español cobra polos servizos nos montes galegos. Adoita ingresar da Xunta máis dun millón de euros, cifras que volverá repetir este exercicio | En plena vaga de incendios forestais e entre fortes críticas de diversas organización ás deficiencias dos plans e recursos de prevención e extinción, o aparato de comunicación institucional teima en recorrer á imaxe do exército español como activo central na loita contra o lume, suxerindo unha sensación de axuda desinteresada, baseada no carácter público da institución militar. Porén, esa imaxe é incompleta. Malia que é case norma que desde o goberno galego se fale da "colaboración" militar na vixilancia e no control dos incendios, mesmo con palabras de agradecemento, a realidade desde hai anos é que os medios que habilita o Ministerio de Defensa para esta función só traballan en Galiza porque se asina cada ano un convenio polo cal a Xunta ten que pagar importantes cantidades ao Goberno central, que non baixan do millón de euros e mesmo poden superalos con amplitude, dependendo dos riscos da tempada. Toda a información, no Sermos Galiza número 63 |
PRAZA_19596 | Os anuncios do poder executivo estatal e autonómico sobre a actualización da xustiza non son máis que publicidade e que mancheas de papel seguen a ser as protagonistas da «moderna» administración de xustiza da Nosa Terra. | Para a completa ciber-tramitación dos expedientes nas oficinas xudiciais (o moi publicitado «papel cero») queda moito tempo e no caso de Galicia, aínda máis. Semella que o conselleiro de Xustiza non leu a meirande parte das normas coas que dende 2009 os lexisladores quixeron actualizar a administración de xustiza ou que de telas lido, a vontade do goberno galego é non cumprir as leis estatais neste eido. Para coñecer a política da Xunta de Galicia en materia de administración de xustiza o caso do expediente dixital é paradigmático. Unha das reformas de outubro de 2015 (a lei 42/2015) establecía tres prazos para rematar con case que todo o papel nas oficinas xudiciais: - dende o 1 de xaneiro de 2016, os avogados e os procuradores estaban obrigados a presentar todos os escritos de xeito electrónico. - dende o 1 de xaneiro de 2017, as administracións públicas debían ter preparada a plataforma para que os particulares que quixer e as persoas xurídicas, obrigadas por imperativo legal a facelo, presentaran de xeito electrónico os seus escritos. - a partir o 1 de xaneiro de 2018, o Ministerio Fiscal incorporarase plenamente ao novo xeito de presentar escritos. Vencidos os dous primeiros prazos a falla de vontade da Xunta de Galicia é patente: as persoas xurídicas non poden cumprir coa súa obriga de presentar as demandas de xeito electrónico porque en Galicia (non sucede o mesmo noutras comunidades autónomas) faltan os medios para facelo. E a ausencia de previsión legal para o caso de falla de medios obrigou a algunhas responsables a ditar resolucións de dubidosa legalidade para non impedir o acceso a xustiza das persoas xurídicas. Amais, a Dirección Xeral de Xustiza nin sequera foi quen de dotar a todas as oficinas xudiciais de Galicia dos mesmos medios para a ciber-tramitación, e estas eivas do poder executivo teñen que ser emendadas polas traballadoras usando métodos «pre-modernos» (aceptando a terminoloxía usada polos nosos dirixentes), deseguido dúas ilustracións da situación: I Cando un xulgado se inhibe por non ter competencia para coñecer dunha demanda que presentaron na súa oficina, ten que remitir o procedemento ao xulgado que pensa que é competente. Aínda que o primeiro xulgado tramite todo de xeito electrónico, a ausencia dun sistema que permita a remisión dixital do expediente obriga a imprimir todos os escritos e resolucións para llos enviar a oficina do xulgado receptor que, a lei obríga, vese obrigado a escanear toda a documentación impresa para formar un novo expediente dixital. O abondoso papel sobrante pode reciclarse. Moitas veces se fala de incompatibilidade do sistema entre as distintas comunidades autónomas pero as dúas últimas veces que pasou isto na oficina que dirixo foi con procedementos que recibimos doutros xulgados da provincia da Coruña. II Algo semellante sucede cando os xulgados da cidade da Coruña temos que remitir os expedientes a Audiencia Provincial que ten a súa sede na mesma cidade para que tramite un recurso de apelación. O actual sistema de xestión procesual (o programa informático para tramitar os procedementos) non permite a remisión electrónica polo que aínda que na primeira instancia o expediente sexa totalmente dixital é preciso imprimir todo para que a Audiencia Provincial poda continuar coa tramitación. O paradoxal é que a Audiencia tería que dixitalizar o impreso para formar o seu propio expediente. De novo papel sobrante para o lixo. Pero este caso é peor porque os medios existen (os Xulgados de Santiago de Compostela poden remitir o expediente a sección da Audiencia Provincial con sede na capital de Galicia) pero a Dirección Xeral de Xustiza non os instalou para todas as sedes xudiciais. Estes dous exemplos deixan claro que os anuncios do poder executivo estatal e autonómico sobre a actualización da xustiza non son máis que publicidade e que mancheas de papel seguen a ser as protagonistas da «moderna» administración de xustiza da Nosa Terra. |
PRAZA_20685 | CIG-Banca denuncia que a entidade resultante do rescate e privatización das antigas caixas destruíu 1.011 postos de traballo en tan só tres anos, o 20% do emprego existente antes da compra por parte de Banesco | No ano 2013, segundo os datos publicados pola Comisión Europea, Novacaixagalicia Banco tiña 5.043 traballadores e traballadoras nun total de 641 oficinas. Tres anos despois, conforme aos datos publicados por Abanca, a entidade resultante do rescate e da privatización das antigas caixas contaba con máis de mil empregados menos (4.032) e 27 oficinas máis (668). Estes son os datos que vén de destacar o sindicato CIG para contrapoñer ao "relato público" que, segundo din, ur"imposto sobre a xestión" da entidade e que "agocha a durísima reestruturación sufrida". NCG Banco tiña antes da compra por parte de Banesco 1.011 traballadores máis e 27 oficinas menos que agora Segundo denuncia a central nacionalista, en tan só tres anos, a nova dirección "destruíu un de cada cinco postos de traballo", o que supón unha media de "1,8 postos menos por cada oficina". Un 20% do emprego existente antes da privatización. Ademais, e segundo insiste, neste mesmo período medrou o volume de negocio xestionado por cada empregado, polo que a carga de traballo está a ser maior para cada un deles. A CIG denuncia que a nova dirección da entidade "destruíu un de cada cinco postos de traballo" en tres anos CIG-Banca considera "escandalosos" estes datos, pero vai máis aló e pide "poñelos en relación" con seis anos atrás, en 2010, e co momento da fusión promovida pola Xunta presididade por Alberto Núñez Feijóo. "Daquela, -lembra a central- as caixas galegas empregaban case 8.000 persoas". Con todo, insiste, e logo da destrución de 1.011 postos de traballo en tres anos, "Abanca continuou recibindo axudas públicas" segundo o establecido polo Fondo de Reestruturación Bancaria (FROB) no momento da venda. "Só polas cláusulas chan recibiu 427 millóns de euros entre o ano 2016 e o primeiro trimestre de 2017; nese curto período de tempo o máximo accionista embolsouse 353 millóns de euros. Mesmo os beneficios do primeiro semestre de 2017 medraron un 23,1% até acadar os 229,1 millóns de euros", destaca a CIG, que asegura que xa cando o Estado procedeu á venda e NCG Banco reclamara que un dos baremos a valorar na poxa pública fose o mantemento do emprego. "Abanca está despedindo sen que lle custe un euro; os despedimentos son pagados con diñeiro público" Foi entón cando o FROB explicou que sería "difícil" valorar o mantemento do cadro de persoal, o que para o sindicato foi "un desprezo absoluto cara aos postos de traballo". "O feito é máis grave, xa que o rescate autorizado por Bruxelas levou ao Estado a provisionar con diñeiro público os despedimentos previstos inicialmente no Plan de Reestruturación do 2013. Así, Abanca está despedindo sen que lle custe un euro, pois os despedimentos son pagados con diñeiro público", remata. |
NOS_3554 | Esta fin de semana as da Mariña disputarán a XX Copa de España co Atlético de Madrid, Alcorcón e Alacant. | Todo preparado para que esta fin de semana Burela ferva co fútbol sala feminino, modalidade na que esta vila da Mariña é referencia estatal grazas ao Pescados Rubén, equipo da División de Honra que foi sub-campión no campionato 2013/2014. Sábado 7 e domindo 8 Burela vai ser escenario da XX edición da Copa de España, taza na que se van dar cita o campion vixente (Atlético de Madrid), o Alcorcón e o Universidade de Alacant. Estamos a falar dos catro mellores combinados actuais do fútbol sala no Estado español. Ras o sorteo realizado pola Federación española, os emparellamentos de semifinais enfrontan o Burela co Atlético de Madrid (18:30 horas, pavillón Vista Alegre) e a Alcorcón e Alacant (16:30 horas). Os vencedores destas semifinais desputarán o domingo, 12:00 horas, a final. |
NOS_10883 | A Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña decidiu recoñecer á investigadora Aurora Marco como Republicana de Honra 2014 polo seu traballo na recuperación da historia das guerrilleiras e das mulleres que padeceron da represión franquista. | A traxectoria de Aurora Marco na investigación e difusión da historia das mulleres na resistencia ao franquismo, das exiliadas e das que padeceron a represión da ditadura foi recoñecida pola Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña ao serlle concedido o título de Republicana de Honra 2014 co que antes foran nomeadas mulleres como Mariví Villaverde ou Mª Teresa Alvajar, de quen Aurora Marco editou as súas memorias. A CRMH distingue a Aurora Marco e, no seu nome, tamén a todas as mulleres que participaron na guerrilla antifranquista galega, de quen a investigadora seguiu os seus pasos recollidos no libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega (Laiovento) que logo se convertería nun documental dirixido polo seu fillo Pablo Ces do que ela sería guionista. O documental "Silenciadas",recibiu en 2011 o premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual e o "Memoria i Justicia Universal" no III Festival Internacional de Cine de Dereitos Humanos da Santa Coloma de Gramanet ademais de ser seleccionado na "Mostra Paralela" do Festival MUJERDOC de Soria. Ademais da investigación que revelou a participación das mulleres na guerrilla antifranquista, a traxectoria de Aurora Marco na recuperación da historia das mulleres inclúe outros títulos como As precursoras, Mulleres e educación na Galiza, a propia edición das memorias de Teresa Alvajar ou o Diccionario de Mulleres Galegas, alén de participación nunha morea de actos públicos e conferencias que dan voz e nome ás mulleres que a historia oficial ocultou. |
NOS_23734 | Por vez primeira desde 1980, o PNV volve colocar ao seu máximo dirixente como candidato a lehendakari. Unha decisión maioritaria da dirección do partido –pero non unánime– que dá a imaxe precisa do grao de control que Iñigo Urkullu adquiriu sobre o PNV, despois da convulsa elección e mandato de Josu Jon Imaz. O candidato mamou o partido desde a súa infancia e fixo toda a carreira interna que se espera de quen chega ao cume. Con fama de home serio, acompálao o sambenito de «soso», que rompe no trato directo.[Vídeo da entrevista en Naiz.info] | No medio do remuíño da campaña, con actos de mañá e de tarde (un «corte» para os informativos do mediodía e outro para os da noite), gravacións para televisión e pasos polas emisoras de radio, Iñigo Urkullu sae dunha reunión do EBB (Euskadi Buru Batzar, dirección do PNV) para facer esta entrevista. Atende primeiro solícito as peticións da fotógrafa para que pose aquí e alá, e segue logo as indicacións da encargada do vídeo, sen perder en ningún momento o sorriso. Mantén en todo momento a prudencia sobre o futuro e di non atender ás enquisas. No caso de que goberne, que fórmula empregará? Se me cabe a responsabilidade do goberno, veremos cales son os resultados do día 21 e logo haberá que facer unha análise dos programas electorais. Pero veño dicindo desde hai moito tempo que nos próximos catro anos van ser necesarios grandes acordos ao redor de tres eixos: o da crise, que é o urxente; o da consolidación do proceso de pacificación e avance na normalidade e na convivencia; e o da redefinición do status de autogoberno para a CAPV. O PNV sostén que máis autogoberno é maior benestar. O traballo pola soberanía é vivir ou filosofar? O que é urxente, o que hoxe inqueda aos cidadáns e cidadás, é saír da crise. «Primum vivere, deinde philosophare». Díxeno no mitin de Alderdi Eguna facendo referencia a unha máxima que utilizaba Xabier Arzalluz tamén cando era presidente do EBB. Creo que ambas cousas son compatíbeis, e non só vivir e non filosofar. Primeiro vivir e despois filosofar, que é compatíbel. O que é urxente, o que hoxe inqueda aos cidadáns e cidadás, é saír da crise. A acción do seu goberno centrarase niso? Non só. Creo que nestes catro anos vai haber dúas etapas. Unha primeira na que nos teñamos que empregar a fondo á recuperación económica. E haberá, espero, tras asentar esas bases, unha etapa para poder falar tamén dun status de goberno diferente. Insiste Antonio Basagoiti en que é vostede un perigoso independentista E eu estou orgulloso de ser un independentista do século XXI. Qué é iso? Pois un independentista que non é do século XIX. Hoxe en día non hai ninguén independente, ninguén. Pero gustaríalle ser tan independente como Alemaña? É que nin sequera Alemaña é independente. Digo «tan independente como». Claro que me gustaría e ese é o camiño, pero desde a concepción da realidade xurídico administrativa que nos afecta como pobo vasco, os diferentes ritmos que hai que seguir e, a partir de aí, intentando facer ver á cidadanía que o gañar mais status de autogoberno o temos que facer acompañados dunha maioría. Cales son os alicerces do novo status que propón? Queremos que a Comunidade Autónoma do País Vasco defina unha relación bilateral co Estado español cun sistema de garantías recíproco Que temos realidades xurídico-administrativas diferentes. Estamos traballando pola colectividade territorial en Iparralde, estamos traballando tamén na Comunidade Foral Navarra, pero a nosa vocación é, entendendo que temos que dar pasos graduais, que a Comunidade Autónoma do País Vasco defina unha relación bilateral co Estado español cun sistema de garantías recíproco. Buscamos unha institucionalización das relacións coa Comunidade Foral Navarra, que hoxe non existe e que existiu durante seis meses en 1996. E, mirando a Iparralde, ir construíndo o concepto de eurorexión dentro da UE. O relatorio parlamentario que propón no programa buscaría a redacción dun novo estatuto? Como se fixo no 2004 co chamado «Plan Ibarretxe». Propomos que haxa unha formulación que sexa debatida polos partidos até antes de que chegue ao Parlamento e que logo constituamos un relatorio, que haxa debate, e que se hai un acordo institucional no Parlamento o sometamos a referendo. O estatuto do 2004 sería unha referenza? Si, como o sería o «Plan Ardanza». Hai unha desfiguración do «Plan Ardanza» con relación ao «Plan Ibarretxe». Se algo buscaba o «Plan Ardanza» era máis a procura dun estado libre asociado que dunha reforma estatutaria. E aí está o dereito a decidir, que está aprobado nun proposición do ano 90. Ese camiño está percorrido. Iso sería o que se sometería a referendo ou ten que pasar antes polas Cortes españolas? O que me pregunto é que mal facemos en someter a consulta algo que aprobou o Parlamento, antes de ir a Madrid É un debate interesante. Eu fíxome máis no que di a disposición adicional única do propio Estatuto de Gernika (a aceptación da autonomía non implica a renuncia do Pobo Vasco aos seus dereitos), e non só no que di a Constitución. E o que me pregunto é que mal facemos en someter a consulta algo que aprobou o Parlamento, antes de ir a Madrid. En Madrid non son moi partidarios dos referendos... É un traballo que haberá que facer. Temos a experiencia do portazo do 2005, coñecemos a decisión do TC sobre a consulta e todo iso temos que o ter en conta para saber que os pasos que teñamos que dar sexan pasos en firme. Que tipo de relación aspira a ter co Goberno español se é elixido lehendakari? A unha relación normal, coas discrepancias que nos correspondan polas diferentes formas que temos de ver a economía, a sociedade e a realidade xurídico-administrativa da CAPV e a CFN. Espero que haxa ocasión de traballar no proceso de pacificación, de normalización e convivencia, a pesar da maioría absoluta. En política económica, pódese seguir a senda dos recortes do Goberno español? Estamos absolutamente en contra das medidas de recorte que expón o Goberno do PP En absoluto. Nós só aprobamos os Orzamentos Xerais do Estado en tempos de Rodríguez Zapatero como Presidente e só tras negociacións que sirvan para traer transferencias ou investimentos, pero non aprobamos ningunha das medidas económicas proposta nin polo PSOE nin agora polo PP. E estamos absolutamente en contra das medidas de recorte que expón o Goberno do PP. Cal é a alternativa? É necesaria a austeridade, pero non mirando só o déficit e a débeda pública, como di o Goberno do PP, senón a austeridade mirando a priorización do gasto e compatíbel con partidas de investimento. O que fai falta é reactivar a economía e non recortes que castigan ao poder adquisitivo para facer consumo. Iso afoga a economía. Se hai que facer recortes haberá que ver onde. Non somos partidarios dos recortes en políticas públicas sociais, de ningún xeito, por moito que alguén intente identificarnos co PP. Nada máis lonxe da realidade. E na priorización de gastos, temos que saber onde investir, que pensamos que é na política industrial, na política para as empresas. [Imaxe: Marisol RAMIREZ / ARGAZKI PRESS] |
NOS_38352 | Un gañador claro, o PP, cunha ampla maioría absoluta para gobernar catro anos máis. Unha vitoria agridoce, a do BNG, que triplica a súa representación pero non derrota Feixoo. E os perdedores, o PSOE, que fica sen o liderado da oposición, e os herdeiros de En Marea, que fican fóra do Parlamento da Galiza. | Os fracasos electorais adoitan ir acompañados de convulsións internas. A proba de que os resultados da sección galega do PSOE son considerados como unha derrota é a reacción dos cadros e dos militantes da organización demandando un debate no partido e esixindo un cambio de rumbo. As análises e valoracións formuladas por Gonzalo Caballero desde o pasado domingo só convencen os máis próximos e está por ver se conta con apoios para manterse á fronte do partido outros catro anos máis. Os movementos dos últimos días, as declaracións dalgúns dirixentes e sobre todo o silencio doutros apuntan a que o vai ter moi difícil. A práctica totalidade dos dirixentes con poder territorial no partido evitaron até o momento expresar o seu apoio público a Gonzalo Caballero. Agás o presidente da Deputación Lugo, José Tomé, cuxa chegada ao cargo foi unha imposición do secretario xeral do socialistas galegos, o resto das referencias do partido mantiveron silencio sobre a continuidade de Caballero. Así, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a súa homologa de Lugo, Lara Méndez, demandaron a apertura dun debate interno, mentres que o alcalde vigués, Abel Caballero, se limitou a analizar os resultados da súa cidade. Ao tempo, a dirección estatal do PSOE eludiu calquera mensaxe de apoio a un candidato que nunca gustou en Madrid. Gonzalo Caballero deberá enfrontase hoxe á unha reunión da Executiva do seu partido. Segundo algunhas fontes será a primeira proba de lume para o candidato, cuxa valoración dos resultados e a receita para saír da crise, abrindo a formación ao "electorado moderado, centrista", non concita grandes apoios. Aínda así, a chave continúa na man dalgúns baróns cuxa distancia co secretario xeral dos socialistas galegos é evidente, destacando entre estes o presidente da Deputación da Coruña,Valentín González Formoso. Unha parte cualificada dos socialistas galegos entende que o futuro do partido pasa por este último. Subliñan ao respecto o seu peso territorial e a súa sintonía persoal con Abel Caballero ou con Xosé Ramón Gómez Besteiro. Os grandes derrotados Os herdeiros de En Marea foron os grandes derrotados das eleccións de 12 de xullo. A inmensa maioría das enquisas e das análises daban por descontada a non entrada no Parlamento da Marea Galeguista de Pancho Casal, mais non contemplaban que Galicia en Común ficase fóra da Cámara. A contundencia do resultado está a amosar as diverxencias existentes entre os parceiros da coalición e sitúa o debate na continuidade da fórmula no futuro. Os últimos movementos no interior das diferentes pólas de Galicia en Común apuntan a unha forte convulsión e a unha revisión no marco de relacións entre os socios. As explicacións sobre as causas dos resultados vai por barrios. Mentres Podemos garda silencio á espera da xuntanza da súa dirección esta semana, na organización todos dan por feito unha refundación do espazo con Antón Gómez-Reino fóra da Galiza e centrado nas súas responsabilidades no Congreso dos Deputados. As fontes da formación morada consultadas por Nós Diario insisten en desligar Gómez-Reino dos resultados e sinalan que "nunca tivo interese en encabezar a candidatura á Presidencia da Xunta e fíxoo obrigado pola dirección da organización". Pola súa banda, desde Esquerda Unida culpan da derrota "as imaxes de división e enfrontamento interno" que "restan credibilidade ao noso proxecto político". A análise de Anova fai fincapé noutros aspectos. Fontes da dirección de Anova afirman a Nós Diario que "no noso campo cometéronse demasiados erros nestes últimos anos, algo que nos foi separando da xente" e denuncian "a tendencia hexemonista de Podemos, que levou a apartar o aspecto nacional do noso discurso e a apostar por referencias públicas sen tirón social". A formación impulsada por Xosé Manuel Beiras considerou un erro non ter apostado como cabeza de cartel para os comicios galegos por Martiño Noriega, que precisamente esta semana dimitiu como concelleiro en Compostela e anunciou un paso atrás na súa militancia política. O futuro da Marea Galeguista está no aire. Malia a intención do sector procedente da antiga En Marea de manter as siglas, os seus parceiros do Partido Galeguista e Compromiso por Galicia manifestáronse nunha dirección diverxente. Porén, Pancho Casal expresou a súa disposición a seguir á fronte do proxecto, que manterá unha reunión da súa dirección ao longo da semana para concretar a data da asemblea nacional. |
NOS_18749 | Xabier P. Docampo (Rábade, 1946) é un home de rostro amábel e sorriso sincero, un home doce que escrebe claro e cándido sobre experiencias terríbeis cunha precisión inquietante para expresar o horror e a miseria do mundo na que só sobreviven as nenas e os nenos. Eis un extracto da conversa, publicada no número 283 de Sermos Galiza. | Os nenos sopórtano todo? Os nenos nunca son vítimas… Imos ver: son vítimas das guerras, da fame, da inxustiza… pero inmediatamente detrás ves uns nenos xogando. É o que di Lilliam Gish na película, nesa cita. Os nenos poden con todo. Nos días que empeza a novela eu tiña un ano. Pero o mundo foi igual nos anos seguintes. Nos eramos nenos que xogábamos, e cando saiamos ao recreo puñámonos a xogar á billarda e esqueciámonos de todo canto sucedía ao redor e na nosa casa. Os nenos teñen esa defensa, se non sería terríbel. Está iso que os protexe. E están tamén as películas. Para a miña xeración o cinema foi importantísimo. Era o único camiño para mirar un pouco máis alá onde chegaba fisicamente o noso ollar. Existía outro mundo… E falábanos de cousas das que nunca ouviramos. Probabelmente parezan moi simples, pero eran importantes. Viamos cousas que aquí non existían, que a censura trataba de ocultar pero que nos atopabamos. Nas películas que escollín para a novela vese o divorcio, a loita nas minas en Gales… e para moitos escritores da miña xeración o cinema foi tamén importante como elemento narrativo. Por que A nena do abrigo de astracán está contada así? Porque me pareceu que o cinema era o refuxio que tiña a nena para preservar a súa vida íntima. O relato mantense dentro dos límites que estabelece "a regra da mirada", o que os ollos son capaces de ver. Ten certa nostalxia da vida da infancia? Teño recordos do ar libre na chaira coas airas cheas de centeo ou de trigo. A novela está contada desde Ribadaínsua e non vai máis aló porque o mundo chegaba até onde chegaba a nosa mirada e o resto eran cousas que nos contaban. Se algo sucede fóra da vila, na novela ten que ser narrado por alguén. Naquel tempo, cando se falaba de calquera cousa, sempre había alguén que preguntaba: 'E víchelo?'… porque se non, pode non ser certo. En Ribadaínsua hai quen ten a capacidade de controlar a mirada, e estabelecer que todo o que pasa é só o que se ve. E fóra diso non hai nada. [Podes ler a entrevista íntegra no número 283 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_1781 | Son os clientes de NGB que ficaron á marxe do proceso de arbitraxe, máis da metade do total de afectad@s pola estafa das preferentes e subordinadas. | Segunda feira, 17 de xuño. Data límite para que un afectado polas preferentes ou subordinadas de Novagalicia Banco (NGB) poida pedir a arbitraxe. E o día tamén no que a entidade financeira activa o proceso (xa está a remitir cartas á clientela) de canxe e liquidez. Proceso que afecta a máis de 39.000 persoas que ficaron sen arbitraxe: ben por seren rexeitados para esta vía (19.800 persoas) ou ben por non tela solicitada (19.200). Estes milleiros de familias vense obrigados agora a cambiar as súas preferentes (unha vez aplicada a correspondente quita, que pode ir do 2 ao 67% do que tiñan aforrado) por títulos da entiade. Máis adiante poderán ben se van ao proceso de luquidez ou fican como accionistas. Un botín de 500 millóns de euros Así pois, consúmase unha nova fase no proceso pola cal a milleiros de galeg@s se lle 'retira' unha parte dos seus aforros para pagar a factiura do rescate bancario. Por volta de 500 millóns de euros, o equivalente o 0,5% do PIB galego. Millóns que se furtan á economía galega, de aí que (como sosteñen plataformas de afectados, sindicatos, organziacións da oposición) non se poda falar de problemas persoais, senón dun problema que atinxce a todo o país. BBVA pide a venda xa de NGB Francisco González, presidente do BBVA, solicita ao goberno de Mariano Rajoy que inicie canto antes a privatización das entidades intervidas, entre elas Novagalicia Banco, para poñer así o ramo á reestruturación do sector financeiro. |
NOS_23054 | A editora Chan da Pólvora cumpre o seu primeiro ano de vida e quere celebralo cunha nova aposta: '13. Antoloxía da poesía galega próxima', un volume que acolle trece poetas que comezaron a publicar despois do 2005, "ano en que conclúe politicamente a transición en Galiza". | Nesta antoloxía, que será presentada esta sexta feira na libraría homónima, poderemos ler textos de Alicia Fernández, Andrea Nunes Brións, Berta Dávila, Lara Dopazo Ruibal, Oriana Méndez, Celia Parra, Xabier Xil Xardón, Gonzalo Hermo, Samuel Solleiro, Ismael Ramos, Francisco Cortegoso, Jesús Castro Yáñez e Antón Blanco. Son 13 poetas que rondan a trintena e que publicaron o seu primeiro libro despois de 2005, "ano no que as eleccións autonómicas abriron en Galiza un período histórico de novas circunstancias políticas e sociais", segundo a editorial. Eses poetas seleccionados por María Xesús Nogueira, permítenlle aos lectores e lectoras "descubrir unha paisaxe até agora nunca abordada: a que emerxeu dunha longa transición democrática e das tensións estéticas provocadas pola crise económica", en palabras de Chan da Pólvora. Trátase ademais da primeira coedición, en edición bilingüe galego-español que realiza Chan da Pólvora coa editorial madrileña Papeles Mínimos. "É unha antoloxía da poesía das promocións máis recentes, a máis próxima a nós", explica Nogueira, "que reúne trece voces moi diversas entre si, que naceron desde os comezos dos 80 até mediados dos 90 e que publicaron nun periodo bastante dilatado. Pretende ofrecer unha panorámica da poesía que se está publicando hoxe en día". Moitos destes autores -sete concretamente- formaron tamén parte doutra antoloxía de "novísimos" que publicou en decembro do ano pasado a editorial Apiario titulada 'No seu despregar'. Outro trazo que salienta Nogueira é "a heteroxeneidade e a autonomía á hora de elixir camiños estéticos, ao contrario do que aconteceu noutros periodos, non hai unha estética xeracional dominante" Verbo da procura dunhas trazas comúns nesta xeracion, Nogueira cre que comparten algunhas características en común en canto a formación: "esta xeración, toda ela, contaron xa con ensino obrigatorio do galego e da súa literatura e tamén unha serie de experiencias derivadas do proceso de transición democrático, naceron todos eles en democracia, no período autonómico, pero tamén comparten contexto económico, e os efectos da chegada da crise ao mundo actual". Non é casual, afirma a crítica literaria, a procura de alternativas editoriais por parte deles, pero tamén "a precariedade laboral como experiencia, que é un trazo que tamén os une". A crise marcou toda a deriva do sistema editorial galego e xornalístico, explica Nogueira, "e tamén do seu horizonte profesional, nalgúns casos aínda están en formación. Pero todos eles coñeceron un contexto marcado por esta hostilidade do sistema económico". "Heteroxeneidade e autonomía" Outro trazo que salienta esta especialista é "a heteroxeneidade e a autonomía á hora de elixir camiños estéticos, ao contrario do que aconteceu noutros periodos, non hai unha estética xeracional dominante, cando menos, aínda que si hai afinidades. Algunha destas pode ser un discurso social e político ou filosófico que se viña dando desde 'Pólvora e magnolias' en diante". "Naceron todos eles en democracia, no período autonómico, pero tamén comparten contexto económico, e os efectos da chegada da crise ao mundo actual", defende a crítica María Xesús Nogueira Outra afinidade, continúa, que se percibe nalgunha das voces "ten que ver co xénero, e coa súa reivindicación, vinculada moitas veces a cuestións de índole sexual e outras de índole local, pero si esa preocupación polo xénero". Tamén egue habendo unha importante presenza de literatura intimista, que explora territorios diversos e algunhas destas voces comparten "a querenza por unha poesía ficcional creando os seus propios universos autónomos". E, claro, as novas tecnoloxías, "que xa as teñen naturalizadas e as aproveitan para a difusión das súas obras". Sen embargo, María Xesús Nogueira nega que se comporten colectivamente como unha xeración: "Si hai unha presenza pública conxunto por parte deles en recitais, que volven coñecer unha etapa de esplendor, e teñen unha presenza no mundo público, pero non creo que sexa máis que unha agrupación conxuntural, sen máis obxectivo que presentar a súa obra". "Non vexo ningún espírito grupal", defende. |
NOS_35583 | Manifestacións e concentracións nas sete cidades do país reivindicaron emprego e salarios dignos contra o empobrecemento. Na central da CIG en Ferrol, o Secretario Xeral, Xesús Seixo reclamou presenza do nacionalismo de esquerdas nas rúas e institucións contra a "propaganda intoxicante" dun PP que, dixo, mente coa saída da crise. | Emprego e salario digno é o "principal problema que ten hoxe a clase obreira galega", dixo o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo na manifestación central do Día da Clase Obreira Galega que se desenvolveu en Ferrol. Milleiros de persoas participaron nas sete concentracións e manifestacións que ao longo do 10 de marzo se desenvolveron nas cidades galegas baixo o mesmo lema de "emprego e salario digno. Contra a pobreza" que se lía tamén na pancarta da cabeceira da central de Ferrol. No seu discurso, o máximo dirixente da central nacionalista, denunciou o que cualificou de mentiras do goberno de Feijóo a respecto da saída da crise e opuxo unha realidade ben distinta, a que fala dun retroceso sen precedentes nas condicións laborais e sociais, na calidade de vida que experimenta o recorte dos dereitos e cun empobrecemento progresivo da clase traballadora. 195.300 postos de traballo menos Seixo lembrou que a taxa de desemprego alcanza na actualidade o 21,7% e que desde o inicio da crise se perderon na Galiza 195.300 postos de traballo, alén de reducirse tamén a poboación activa. Segundo os datos da CIG, a situación é especialmente grave para a poboación da franxa de idade entre os 20 e 39 anos nos que a emigración está sendo de novo unha das únicas saídas. Nos cinco últimos anos contabilízanse 80.000 mozas e mozos que tiveron que abandonar o país para buscar traballo, unha cifra que, de se contabilizar, situaría o índice de desemprego no 40%. Menos emprego e con peor calidade O secretario xeral da CIG denunciou tamén que a diminución do emprego vai parella tamén á perda de calidade e a merma dos salarios nun mundo laboral no que medra o índice de contratación temporal e a tempo parcial. "O único sector de asalariados/as que medra, subliñou Seixo, é aquel que gaña menos do 50% do Salario Mínimo Interprofesional, estamos a falar duns ingresos brutos de 150 euros ao mes", sinalou no seu discurso da manifestación en Ferrol no que tamén fixo fincapé nos 177.000 traballadores e traballadoras que cobran menos de 200 euros ao mes. As políticas económicas, laborais e sociais da UE executadas con dilixencia na Galiza e no Estado están na orixe, segundo Seixo, da situación xa que a súa consecuencia é un "retroceso de décadas nas condicións laborais e sociais, na calidade de vida e nos dereitos de miles de familias e de centos de miles de homes, mulleres e crianzas". A mobilización como saída Nun tempo no que, segundo destacou Seixo, os únicos que non sofren a crise son os especuladores, banqueiros ou oligarquía financeira, os mesmos que a crearon, a saída é a organización e a mobilización que destape a "intoxicación propagandística" do PP e loite por mudar "a conciencia social e a correlación de forzas a favor da clase traballadora e do nacionalismo galego, nas empresas, nas organizacións sociais e nas institucións". Considerou necesario que nas vindeiras eleccións municipais e ao parlamento do Estado o nacionalismo de esquerdas acade apoio social para "contrarrestar o afastamento dos centros de poder, cada vez máis concentrado e centralizado en institucións antidemocráticas sobre as que a cidadanía non pode exercer control". Na lembranza de Amador Rei e Daniel Niebla, vítimas da represión fascista contra a loita obreira en 1972, a xornada volveu levar ás rúas a defensa dos dereitos laborais e o emprego nas sete cidades galegas. Manifestacións ás 20 horas en Ferrol, A Coruña, Compostela, Lugo e Vigo e asembleas de delegados e delegadas pola mañá en Ourense e Pontevedra con mobilización centraron os principais actos reivindicativos deste 10 de marzo. |
NOS_22343 | O novo líder do movemento cualifica o presidente ecuatoriana como "inimigo da revolución cidadá". | Alianza País (AP), movemento que goberna Ecuador, destituíu Lenin Moreno como o seu presidente, unha decisión que mostra a división interna que se vive no seo da formación. AP nomeou o ex-responsábel de Exteriores, Ricardo Patiño, como novo presidente. Patiño está aliñado co anterior mandatario, Rafael Correa. Patiño sinalou que Lenin Moreno non mantivo coherencia política. "A decisión que se tomou foi unánime, de absolutamente todos os asistentes". Desde AP fíxose un convite a Correa para tomar parte no proceso de reestruturación do partido. |
NOS_55683 | 4 e 8 pontos. Esa é a distancia que neste momento separa Celta e Deportivo da permanencia na Primeira División, após a vitoria este sábado de Osasuna perante o Zaragoza (1-0). | Celta suma 20 pontos despois de 24 partidos. Está a 4 do Zaragoza, que agora marca a fronteira entre a Primeira e a Segunda División. 4 pontos son unha vitoria e un empate. Fican 14 encontros por diante. É unha distancia obxectivamente salvábel. Muito pior teno o Deportivo, con só 16 pontos. Fernando Vázquez apañou a equipa a 6 da salvación. Agora está a 8. |
NOS_48256 | Na xornada de hoxe, os Gobernos dos Emiratos Árabes Unidos e de Israel farán oficial o acordo de normalización de relacións diplomáticas. Un pacto que, malia incluír o adiamento da anexión de partes de Cisxordania, pon en perigo a posición palestina –sinalan desde a OLP– de cara á consecución dun Estado independente. | "Palestina converteuse nunha vítima das ambicións electorais do presidente Trump, cuxo equipo tomaría calquera medida, sen importar como de destrutiva sexa para a paz, co fin de lograr a reelección", dicía Saab Erekat, secretario xeral da Organización para a Liberación de Palestina (OLP) sobre o recente acordo entre Israel e os Emiratos Árabes Unidos (EAU) para normalizar as relacións. Un pacto que se conseguiu grazas á mediación da Casa Branca. O recoñecemento como iguais por parte do Goberno emiratí leva parello o adiamento da anexión de partes do territorio ocupado de Cisxordania previsto polo israelí. As autoridades palestinas e os seus aliados rexionais consideran que a decisión dos EAU pon en perigo a súa posición de cara á consecución dun Estado independente. A normalización de relacións sen maiores concesións ─argumentan─ axuda ao recoñecemento internacional da soberanía israelí sobre os territorios que ocupou. Neste sentido, Trump anunciou na sexta feira que Bahrain tamén se uniría ao acordo, fortalecendo a oposición rexional ao Irán, ao que os Estados Unidos de América (EUA) e outros países da zona como Israel ─mais tamén os EAU e Arabia Saudí─ ven como a maior ameaza para os seus intereses. Segundo apuntou na pasada fin de semana The Times of Israel citando fontes israelís, Trump comprometeuse cos EAU a que Washington non recoñecerá a anexión de Cisxordania por Israel "até polo menos 2024". De acordo con esta información, para os EAU foi unha prioridade chave obter este compromiso. Na práctica, o acordo anunciado o pasado 13 de agosto pon fin ao bloqueo comercial que os EAU mantiñan sobre Israel e permite a cooperacións en diversos ámbitos. Nomeadamente, no económico e comercial entre a potencia petrolífera emiratí e a israelí, puxante no mercado de diamantes, compañías farmacéuticas e empresas tecnolóxicas. Sinatura oficial Hoxe formalízase en Washington esta nova relación bilateral coa sinatura oficial do acordo. Contará coa presenza do primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, e do ministro de Exteriores dos EAU, Sheikh Abdullah bin Zayed Al Nahyan, irmán de Mohammed, o príncipe herdeiro. No acto tamén estarán presentes representantes gobernamentais de países de todo o mundo. Non así ningún ministro dos Estados membros da Unión Europea, agás Hungría, segundo o revelado nas últimas horas polo portavoz do ministerio de Exteriores deste país. "Ao convite do presidente dos EUA, Donald Trump, como único ministro da Unión Europea, o ministro de Exteriores, Péter Szijjártó, tamén participará na cerimonia de sinatura na Casa Branca na terza feira [por hoxe]", dixo Mate Paczolay á axencia de noticias MTI. O máximo representante da Política Exterior comunitaria, Josep Borrell, manifestou a posición de Bruxelas sobre o acordo a través dunha entrada na súa conta de Twitter: "Recibo con agrado a normalización das relacións EAU-Israel; beneficia a ambos os dous e é importante para a estabilidade rexional". Borrell engadiu que "suspender a anexión é un paso positivo, o plan debería ser abandonado completamente", ademais de manifestar que a "Unión Europea desexa a reactivación das negociacións israelí-palestinas para unha solución de dous Estados baseada nos parámetros acordados internacionalmente". Pola súa banda, o primeiro ministro de Hungría, Viktor Orbán, cuxas retórica anti inmigración e políticas de erosión dos estándares democráticos na xustiza e noutros ámbitos, así como os ataques á comunidade LGTB, crean continuos conflitos con Bruxelas, é un grande admirador de Trump desde os seus inicios. O seu ministro de Exteriores escribiu en Facebook na fin de semana: "Desde que a Casa Branca preparou a axenda para estabilizar a rexión, este foi o segundo desenvolvemento que proba que este é o mellor plan de paz até agora e promete traer paz a Oriente Próximo finalmente". Polo tanto, "o presidente dos Estados Unidos merece gratitude", engadiu Szijjártó, que tamén hoxe manterá unha xuntanza co asesor e xenro de Trump, Jared Kushner, o arquitecto do que o propio mandatario bautizou como o "Acordo do século". Serbia inclúe Hezbolá na lista de organizacións terroristas no marco dos acordos cos EUA e Israel Como parte dos acordos de colaboración económica cos Estados Unidos, no marco das negociacións para normalizar relacións ente Serbia e Kosovo, Belgrado anunciou a inclusión de Hezbolá como organización terrorista, ao igual que xa fan a Unión Europea e o propio Goberno do país norteamericano. Un comunicado emitido nas últimas horas e asinado polo secretario de Estado estadounidense valora a decisión como "outro importante paso para limitar a habilidade deste grupo terrorista apoiado polo Irán para operar en Europa". Serbia comprometeuse ademais a trasladar a súa embaixada en Israel de Tel Aviv a Xerusalén antes do 1 de xullo de 2021. O presidente serbio, Aleksandar Vucic, remarcou na súa conta de Instagram que "a amizade entre os pobos serbio e xudeu foi reafirmada". |
NOS_56418 | A derrota ante Zaragoza frea o seu renovado pulo | O Monbus Obradoiro afronta mañá ás 20.30 horas un encontro vital ante Morabanc Andorra, un rival 'da súa liga'. Os galegos chegan a este choque adiado no seu momento a causa do gromo de coronavirus que padeceu o equipo, e que os obrigou a estar de baixa durante máis dun mes, situados na décimo cuarta posición da táboa clasificatoria, a tan só unha vitoria dos andorranos, que son décimo primeiros. A pesar de disputar un partido menos que os seus rivais desta terza feira, e até catro que os seus inmediatos predecesores, Herbalife Gran Canaria, os de Moncho Fernández deben volver do Principado cunha vitoria se non queren correr o risco de que conxuntos do fondo da táboa, como Fuenlabrada, Estudiantes ou Betis, reaccionen a costa de pasarlles por enriba. Un partido que se escapa no derradeiro cuarto O Obradoiro caeu derrotado esta xornada na pista de Casademont Zaragoza por 83-70, nun resultado enganoso, pois ambos os equipos estaban empatado ao final do terceiro cuarto. Logo do sensacional triunfo ante Bilbao Basket no seu primeiro partido unha vez superado o gromo, a escuadra capitalina agardaba repetir resultado ante o Zaragoza e, por momentos, pareceu que podía ser así, pois se unha palabra pode definir o encontro que mantiveron galegos e maños é "igualdade". A tónica do partido foi un tira e afrouxa constante no que ningún dos dous equipos atopaba a fórmula para despegarse nun marcador que reflectía uns parciais de 23-22 ao final do primeiro cuarto, 40-39 concluído o segundo e 57-57 logo do terceiro. Lamentabelmente, e a pesar da destacada actuación de Enoch, nos últimos intres do encontro o Obradoiro sucumbiu ante os triplos de Nicolás Brussino. |
PRAZA_7215 | A iniciativa que promove a instauración do topónimo oficial no Deportivo estrea web logo dunha campaña na que recolleu milleiros de sinaturas a prol da galeguización do nome club. | A iniciativa Por un Dépor en Galego aséntase na Rede coa creación da súa propia web, coa que pretende fortalecer "un punto de encontro do deportivismo" que está a prol de que o club mude o nome da cidade que figura no escudo "para que finalmente sexa A Coruña" e non La Coruña como aínda se mantén malia que o único topónimo oficial segundo a lexislación é o escrito na lingua propia. A iniciativa estrea web logo de impulsar a recollida de sinaturas e a adhesión de peñas e seareiros á reivindicación Así, e logo de cinco meses cunha petición activa en Change.org que anda preto das 1.800 sinaturas, o proxecto vén de activar a web deporengalego.org, onde seareiros e peñas poden adherirse a esta reivindicación" xa histórica no deportivismo". Segundo os impulsores da iniciativa, esta conta "con grande apoio de afeccionados e peñas que se están a achegar para participar no proxecto". "A nosa meta principal é mudar o nome actual que aparece no escudo polo oficial da cidade. Queremos que no escudo se poida ler: A Coruña. Con este cambio tamén cambiaría o nome do equipo, polo que apostamos pola galeguización do mesmo, sendo Real Club Deportivo da Coruña", explican os creadores dun proxecto que tamén reclama "un amior uso do galego por parte do club nos seus comunicados", algo que mellorou moito nos últimos tempos, á espera da nova web da entidade branquiazul -rcdeportivo.gal-, que se atopa en construción. "Entendemos que se deben facer nas mesmas proporcións ente galego e castelán", insisten. A campaña reclama o uso do topónimo oficial no escudo e que o club pase a ser o Deportivo da Coruña Aínda que esta petición se iniciou a principios do verán e ten como obxectivo formalizarse antes de que remate o ano, os impulsores din ter "moi en conta a situación pola que está a pasar o deportivismo e o equipo", despois do asasinato do ultra deportivista en Madrid a mans do Frente Atlético, o que se une aos malos resultados deportivos e á difícil situación económica. "A tensión que hai agora mesmo é moi forte e os ánimos non son os mellores, en comparación cos últimos anos. Máis con todo iso, queremos ser un novo alento polo que impulsar o equipo e devolverlle os ánimos ao deportivismo, que agora tanto os necesita", engaden, tras insistir en que a web pretende ser "punto de encontro" da iniciativa con toda a información que saia do tema e coa intención de que máis seareiros e peñas deportivistas se unan á reivindicación. |
NOS_16261 | Militantes da organización política avanzan que desobedecerán a Joan Herrera. | Até o momento non son moitas as reaccións mais algunhas persoas destacadas amosaron xa o seu rexeitamento ás declaracións de Joan Herrera nunha entrevista concecida ao xornal español, El País. Após o dirixente de ICV avanzar que non votará na consulta do 9 de Novembro, militantes da organización política aseguraron através das redes sociais o seu desacordo e anunciaron que si exercerán o seu sufraxio. Así o asegurou o candidato de Iniciativa en Lleida, Eduard Baches, através dunha carta remitida á militancia na que dixo votará 'Si-Si'. Baches considerou a consulta un acto "revolucionario" e un "paso de xigante na loita para conseguir o noso futuro". Aliás, emprazou a base militante de ICV a emitir o seu voto e "encher as urnas". De igual maneira o escritor Jordi Coca, candiato de ICV nas pasadas eleccións ás Cortes españolas, manifestou através da súa conta oficial de Twitter que "tampouco" votará el "a Herrera" de quen dixo "cando fala non o entendo e cando cala tampouco". Embora afirmar que "non" lle "agrada nen un pouco" a "xogada de Mas" sinalou que o líder de ICV "converteu" a formación "nun pequeno nicho en troca de se abrir". Segundo informa o xornal catalán NacióDigital.cat o deputado Jaume Bosh solcitou para esta segunda feira unha xuntanza extraordinaria da dirección para que Herrera dea explicacións. |
NOS_40489 | Segundo un estudo publicado no New England Journal of Medicine, isto explicaría que non haxa máis mortes nesta segunda vaga. | O beneficio de usar a máscara para conter o coronavirus estaría non tanto en que se frea a súa entrada no organismo senón en que precisamente permite que se expoña a el. Segundo defenden os profesores Monica Gandhi e George W. Rutherford, da Universidade de California en San Francisco (UCSF), o uso da máscara podería estar a funcionar como unha protovacina até que se consiga unha vacina real. Nun estudo publicado en New England Journal of Medicine, explican que a utilización desta protección sobre a boca e o nariz reduce a carga viral, mais permite que o novo coronavirus se propague, aumentando as infeccións sen síntomas. As infeccións asintomáticas xeran células T (do sistema inmune) máis fortes e durante certo tempo lógrase obter inmunidade contra o SARS-CoV-2. Combate de boxeo As vacinas tradicionais funcionan inxectando pequenas cantidades do patóxeno para inmunizar os pacientes. Estes virus debilitados fan que o organismo xere anticorpos ao provocar unha forma leve da enfermidade. Como un sparring que prepara o boxeador para un combate, a vacina fai que o organismo estea adestrado para atacar o virus cando este chegue con toda a súa intensidade. Gandhi e Rutherford cren que as máscaras poden contribuír a unha forma de "variolización", unha técnica anterior ás vacinas, que consistía en expor o paciente san ao virus da varíola de forma controlada. Polo tanto, o uso cotián da máscara nos espazos fechados como supermercados ou medios de transporte permite que ao ter contacto cunha persoa contaxiada co novo coronavirus, a exposición se produza en moito menor cantidade, mais a necesaria para que o sistema inmunolóxico se active e comece a adestrar para un hipotético combate de boxeo futuro. Despois da exposición a esta baixa carga viral, a persoa afectada podería chegar a conseguir unha inmunidade a Covid-19, polo menos durante un certo período de tempo. O estudo explica que o beneficio de que haxa máis contaxios asintomáticos é dobre: reducir os casos graves e os falecementos e contribuír á chamada inmunidade de rabaño. Ademais, explicaría ─segundo os investigadores─ que o aumento de casos en moitos países non vaia parello cun aumento das mortes. |
NOS_21481 | Diversos colectivos constatan sobre o terreo a "desfeita"causada por esas obras nunha paraxe única da Galiza. | As protestas veciñais e ambientalistas obrigaron a Xunta a decretar a paralización das obras dun parque eólico na Serra do Oribio, no Courel, unha paraxe única. Unhas obras que, denunciaban colectivos como Adega ou Sociedade Galega de Orintoloxía (SGO), eran ilegais pois carecían de autorización. Integrantes de Adega, da SGO, Asociación Galega de Custodia do Territorio, EQUO e Asociación Cultural O Iribio, desenvolveron unha acción reivindicativa simbólica no alto da Serra do Oribio, entre os concellos de Triacastela e Samos, en defensa dos valores da Rede Natura. As activistas, informa Adega, puideron "constatar o alcance da desfeita xa consumada polos traballos executados, ao menos, durante os últimos 20 días nun espazo, recordémolo, catalogado como Lugar de Interese Comunitario e Zona de Especial Conservación dos Valores Naturais (ZECVN), parte da Rede Natura 2000 e do ZEC Ancares – Courel e que, así mesmo, fai parte do proxecto de Reserva da Biosfera Ribeira Sacra – Serra do Oribio e é área potencial no Plan de Recuperación do Oso Pardo (proxecto Life Oso-Pardo, cofinanciado con fondos europeos)". Os traballos da maquinaria pesada desfixeron xa un treito importante do Camiño Real de Vilafranca do Bierzo a Monforte, ben patrimonial inventariado, e acometeron salvaxes desbroces que afectan mesmo a exemplares de Quercus Lusitanica (carballo anano), ao tempo que ameazan gravemente outros elementos de gran valor patrimonial e etnográfico: a Medorra do Fial, situada a menos de 400 metros de onde estaban as máquinas, as Ventas da Braña e do Retorno ou o Portádego do Oribio, antigo lugar de dereito de paso, así como algún exemplar de antigo neveiro. Veciñas veciños da zona convocan para este sábado 22 de xuño dúas concentracións diante das Casas Consistoriais de Samos e Triacastela coa finalidade de exixir destes dous concellos, en cuxos terreos se quere construír o proxectado parque eólico da empresa Fergo Galicia Vento, que non se conceda autorización ou licenza municipal para ningunha obra ou traballo en espazo da Rede Natura. A primeira das mobilizacións será ás 12 da mañá diante da Casa do Concello de Samos; media hora máis tarde (12.30) diante do Concello de Triacastela. |
PRAZA_9156 | "Non se pode pechar ningunha destas peticións, hai que mantelas abertas até que contemos con explicacións fiables e actualizacións sobre a situación", defende a presidenta da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo tras escoitar a delegación galega convidada pola eurodeputada do BNG | A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo decidiu este luns reabrir o expediente sobre as rías galegas, pechado de facto hai xa anos logo de ser emitido en 2013 con importantes recomendacións para acabar cos problemas de contaminación, vertidos ou falta de dragado, nomeadamente nas do Burgo e na de Vigo, pero con escasos avances.Cecilia Wikström: "Non se pode pechar ningunha destas peticións, hai que mantelas abertas até que contemos con explicacións fiables e actualizacións sobre a situación"A presidenta da Comisión de Peticións, a liberal sueca Cecilia Wikström, decidiu reabrir este expediente tras escoitar de novo os peticionarios, o patrón da confraría de pescadores da Coruña e o presidente da Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo, en representación da expedición galega que se desprazou a Bruxelas, así como aos voceiros dos grupos políticos, entre eles Ana Miranda, do BNG, impulsora das demandas sobre as rías galegas desde hai anos. No grupo convidado por Miranda integrábanse tamén outros membros da confraría coruñesa e a plataforma viguesa, ademais da voceira municipal do BNG na Coruña, Avia González Beira, e os candidatos coruñés e vigués da formación, Francisco Jorquera e Xabier Pérez Igrexas."A Comisión non nos formulou unha resposta de fondo nin houbo unha confirmación totalmente transparente", dixo Wikström sobre a explicación dada polos representantes da CE, que se limitou a advertir de que esperaría pola confirmación das denuncias feitas sobre eses escasos avances e dos problemas da ausencia de dragado ou de depuración. "Non se pode pechar ningunha destas peticións, hai que mantelas abertas até que contemos con explicacións fiables e actualizacións sobre a situación", engadiu sobre a falta de datos fidedignos por parte do Estado e da propia UE.Ana Miranda: "A reapertura é un grande éxito, permitirá achegar novos datos e probas sobre a situación real"A Comisión de Peticións dirixirase agora ás administracións (Estado, Xunta e concellos) e á propia Comisión Europea para coñecer os avances desas recomendacións dadas xa en 2013 e, tal e como denunciaron os peticionarios e a propia Ana Miranda, sen "case avances". No prazo dun mes ou mes e medio, recibiranse esas demandas, que serán analizadas de novo para decidir se a demanda se mantén activa como desde este luns."É un grande éxito", declarou Ana Miranda ao rematar a sesión, ao entender que a reapertura desta petición permitirá achegar novos datos e probas sobre a situación real das rías. A reapertura chega, dixo, "porque non se cumpriron os obxectivos marcados no informe elaborado en 2013 despois da visita que realizou unha delegación de eurodeputadas e eurodeputados ás zonas afectadas". "Cinco anos despois vénsenos a dicir á Comisión de Peticións que custa moito dragar unha ría, iso xa o sabiamos".Felipe Canosa, patrón maior da Coruña: "Mellorouse, pero noi foi dabondo; instouse a facer todas as obras, pero os resultados non chegaron""Escribiremos unha vez máis ás autoridades españolas e á Comisión Europea", advertiu Wikström, que xa aclara que seguirán en "contacto" coas autoridades" para poder dar "carta branca" ás reivindicacións e ás demandas.A decisión de Wikström chegou tras a intervención de Felipe Canosa, patrón maior da confraría de pescadores da Coruña, e de Serxio Regueira, presidente da Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo. O primeiro insistiu no problema no Burgo, que "segue desde anos atrás" e denunciou a "falta de vontade dos gobernos" para actuar contra a contaminación e os lodos. "Mellorouse pero non foi dabondo. Instouse a realizar todas as obras posibles pero os resultados non chegaron", dixo, tras reclamar a "recuperación" da ría esixida e a reapertura do informe.Serxio Regueira (Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo): "Se non temos as augas en condicións, isto desaparece"Desde a plataforma viguesa fíxose tamén un repaso dos problemas da nova depuradora de Vigo e das problemáticas que seguen, por exemplo coas pluviais, malia as melloras achegadas, ademais de eivas nas tubaxes, nos pozos de bombeo e numerosos e denunciados vertidos. "Se non temos as augas en condicións, todo isto desaparecerá", advertiron amosando imaxes da riqueza da ría viguesa.Ana Miranda, pola sua banda, destacou que non se completaron os traballos que encargaba aquel informe de 2013, nin no ámbito financeiro nin de investimentos, nin por parte do Estado nin da Xunta para cumprir co "saneamento integral". "Leváronse a cabo accións recomendadas pero seguen existindo problemas, algúns persistentes", engadiu a eurodeputada do BNG.Contrariedade de Blanco e Millán MonO tamén eurodeputado galego José Blanco, do PSOE, advertiu da "nova oportunidade" para as rías coa chegada do novo Goberno de Sánchez, malia que recoñeceu "luces e sombras" pero tamén que non son cousas que se cambien "dun día para outro". Respecto da ría do Burgo, cre que son "necesarios esforzos serios" para poñer freo á súa "degradación" pero asegurou que a posibilidade de reasignar 24 millóns de euros de fondos comunitarios para cofinanciar o dragado e a consignación de 8 milóns nos orzamentos do Estado "permiten empezar a pensar nunha solución ao problema".Durante a sesión o socialista José Blanco quixo subliñar que el tamén "traballa" polos problemas galegos dende a Eurocámara entre unha obvia tensión con MirandaJosé Blanco e Ana Miranda mantiveron unha batalla dialéctica que foi mesmo reprochada pola presidenta da Comisión, que pediu que non se convertese o debate "nunha farsa española". O eurodeputado socialista presumiu da importancia dos Orzamentos para a ría do Burgo e a nacionalista retrucoulle advertindo da súa insuficiencia. O primeiro acusouna de "querer sempre ser protagonista" e asegurou que el tamén "traballa" polos problemas dos galegos desde Bruxelas.Ademais, Francisco Millán Mon, eurodeputado do PP, asegurou, pola contra, que o balance "é positivo" aínda que "queden cousas por facer" e advertiu dos acordos e reunións entre Xunta e Estado dos últimos días. "Non houbo parálise", dixo, tras intentar que non se reabrise o expediente e falar da "indubidable importancia da depuradora de Lagares". As súas palabras foron apoiadas por unha compañeira de partido, Rosa Estarás, vicepresidenta tamén da Comisión de Peticións, que acusou o resto de grupos de "politizar" un tema medioambiental, ataques que rexeitaron outros eurodeputados, como Josep Maria Terricabras, de ERC, ou Eleonara Forenza, que reclamaron a necesidade de "apoiar as peticións e o informe de hai cinco anos" e de "seguir comprobando se hai unha aplicación adecuada das normativas comunitarias"."Os pasos foron demasiado lentos", asegurou a eurodeputada italiana, que pediu dar un "pulo maior" ao tema porque as rías galegas son un recurso "a protexer e defender".Os representantes da confraría coruñesa e da plataforma viguesa manifestaron a súa ledicia coa reapertura: Sabemos que un traballo así non sei fai en quince días, pero tamén que non cómpren cinco anos"Ao final da sesión da Comisión de Peticións, os representantes da confraría coruñesa e da plataforma viguesa manifestaron a súa ledicia pola reapertura dun expediente que, agora, lles permitirá achegar máis datos sobre a situación real das rías e que abre a posibilidade de que a Comisión Europea siga presionando ao Estado e á Xunta para que actúen de vez. Todos insistiron en que os avances argumentados por algúnns dos grupos políticos eran tan evidentes como escasos "logo de cinco anos". "Sabemos que un traballo así non se fai en quince días, pero tamén que non fan falta cinco anos", reflexionaron."Parece tempo máis que suficiente para ter saneada a ría do Burgo e retirados os lodos", advertira á Eurocámara Felipe Canosa. "Os vertidos na ría de Vigo son os mesmos que hai dez anos", insistiu Serxio Regueira. A Comisión de Peticións acabou recoñecendo a información adicional achegada polos peticionarios e reclamando, tanto ao Estado como á Comisión Europea, que aclaren de vez cal é a situación actual. De verificárense os escasos avances, a UE seguirá a poñer o foco nunhas rías galegas que volveron erguer a voz en Bruxelas. |
NOS_43514 | O dragón -a coca- dorme nunha cova debaixo da Illa de San Simón. A cada pouco sae da gorida e secuestra unha moza. Até que os rapaces mariñeiros de Redondela deciden facerlle fronte e acaban coa ameaza. A lenda está de fondo no novo filme de Ignacio Vilar, María Solinha, cuxa rodaxe comeza o vindeiro 19 de agosto. Pero vai evidentemente máis alá. | "Temos un lema do filme", explica Vilar a Sermos vía telefónica, "María Solinha é atacada polo mesmo dragón no século XVI e no século XXI". A obra, con guión do propio Vilar, trata da opresión, e contará a historia "dunha muller libre, dunha muller loitadora". A actriz debutante Grial Montes, de 22 anos, interpretará a Soliña. Canda ela, Laura Míguez, que fará da súa amiga, como Soliña acusada de bruxa e como Soliña queimada pola Inquisición. Vilar presentou o inicio da rodaxe esta terza feira na lonxa de Cesantes (Redondela). Detrás, a praia e a Illa de San Simón, que serán escenarios "fundamentais" do filme. Como a propia Redondela, Cangas e Toraia. O que chama, en homenaxe ao fotógrafo francés Henri Cartier-Bresson, "intre decisivo" -a filmación- decorrerá do 19 de agosto ao 20 de setembro. Cinco semanas consecutivas, de segunda a sexta feira. "Van ser cinco semanas intensas e a ver que nos depara o tempo. Sempre digo que a rodaxe é o intre decisivo porque ten moito que ver coa vida", declara o director. María Solinha comezará a se materializar tres anos despois de xurdir como proxecto na cabeza de Ignacio Vilar. E seis meses despois de que o cineasta iniciase a busca de localizacións, paso para el central. "A partir das localización nace o filme", confesa. Con María Solinha, producida por Vía Láctea Films e a TVG como asociada -conta ademais coa subvención de Agadic e o apoio da Deputación de Pontevedra e os concellos de Cangas e Redondela-, Ignacio Vilar (Petín, 1951) continúa a construír unha narrativa cinematográfica inclinada cara á ficción popular. Sempre en galego. O seu anterior filme, Sicixia (2016), viuse en salas e auditorios de toda Galiza. Coa súa adaptación da Esmorga (2014) obtivo ademais o recoñecemento da crítica do Estado español. |
NOS_51613 | As Milicias Galegas non escaparon ao mal fado da historia que é de nos. Ao fin, un outro capítulo dese pasado que chega deformado por unha trepia sinistra empeñada en presentar a Galiza como unha simple extensión do relato español, ao pobo galego como unha realidade submisa e ao nacionalismo como un movemento politicamente irrelevante. | As Milicias Galegas xorden dunha decisión política do Partido Galeguista (P.G). A proposta dos nacionalistas, como escribiu Castelao e indicou tamén Santiago Álvarez, partía da necesidade dun batallón autónomo como expresión da existencia dunha Galiza que, se ben estaba dominada polo franquismo, viña de referendar o seu estatuto e por conseguinte precisaba dunha expresión política que permitise visualizar o seu problema nacional e deixar constancia do compromiso na loita contra o fascismo. A súa posta en marcha foi iniciativa directa de Daniel Castelao, Ramón Suárez Picallo, Xoán Xosé Plá, Pedro Penabad e Enrique Peinador Porrúa, que concretaron un plan de acción que perseguiu a organización e posta en marcha da unidade militar, a creación dun espazo de referencialidade galego en Madrid e a articulación unha rede de apoios que aglutine o espectro social da Galiza democrática. A creación das Milicias Galegas 5 de Agosto de 1936 diversos medios escritos madrileños recolleron o chamado a incorporación de voluntarios ás Milicias Galegas, fixando como "oficina de recrutamento" o local do Partido Galeguista, un primeiro andar no número 15 da Rúa Conde de Peñalver da Gran Vía Crónica, no seu número de 23 de agosto de 1936, afirmou que "uns cantos galegos concibiron a idea de formar as Milicias Galegas no corazón de Castela. Son estes homes o deputado Ramón Suárez Picallo, o avogado Enrique Peinador Porrúa, Xoán Xosé Plá, capacidade de traballo e entusiasmo…Na súa axuda acudiu aportando o seu entusiasmo, valor e talento un deses homes nos que apunta o xenio das circunstancias: Pedro de Penabad, avogado e escritor..". "O Partido Galeguista, integrado na súa totalidade por idealistas pobres, non tiña sede en Madrid. Foi necesario habilitar un local que servira de centro de recrutamento, polo que se procedeu a incautación dun deses casinos políticos onde se preparou a conspiración que vivimos", destacou a peza xornalística de Crónica A unidade de choque "Rosalía de Castro" As Milicias Galegas, formadas por máis de 1.200 persoas, estiveron compostas, maiormente, por segadores, temporeiros e fuxidos da Galiza franquista. Precisamente, os primeiros chegaron a conformar a unidade de choque "Rosalía de Castro", duramente golpeada na primeira acción de armas vivida en 6 de setembro de 1936. Un grupo de arredor de 150 mulleres, na súa práctica totalidade traballadoras do fogar, formou nas filas das Milicias Galegas. Significáronse entre estas, Marciana Pimentel, máxima responsábel dos servizos de enfermaría, e Esperanza Rodríguez, oficial da unidade. O primeiro núcleo de dirección das Milicias Galegas conformouse en agosto de 1936, aparecendo como presidente de honra Ramón Suárez Picallo, como secretario xeral de honra, Agapito García Atadell, como secretario xeral Xoán Xosé Plá, dirixente do PG en Viveiro, como xefe da sección económica Enrique Peinador Porrúa, militante do PG en Madrid, como xefe da sección de prensa Pedro Penabad Rodríguez, dirixente do PG en Madrid, como xefe da sección sanitaria Ramón Vidal Barreiro e como xefe do negociado militar Manuel López Iglesias. Daniel Castelao As Milicias contaron cun "Comité de Apoio" integrado por Daniel Castelao, o físico ourensán e deputado de republicano Manuel Martínez Risco e un xeneral xubilado de longa tradición republicana, o viveirense Cecilio Bedía de la Cavallería, que morreu no exilio arxentino. A unidade de combate dispuxo dos seus propios órganos de prensa. Así, na esfera escrita elaborou El miliciano gallego, coa colaboración, entre outros, de Barcia Caballero e o portorriqueño fillo de galegos Rubén Gotai. Ao tempo, puxo en marcha a emisión radial, A Nosa Terra, que desde o local do Partido Galeguista dirixiu Rodríguez Villafranca. As Milicias Galegas non tardaron en denominarse 4º Batallón da Brigada Mixta, como consecuencia do proceso de militarización e encadramento no exercito regular das milicias aprobado polo Goberno Largo Caballero en outubro de 1936. |
NOS_29539 | Circo, música, humor, emoción... Pistacatro presenta esta quinta feira en Compostela o seu novo espectáculo "Desperta!". | A compañía Pistacatro presenta esta quinta feira, 30 de outubro, ás 21.00 horas no Teatro Principal de Santiago o seu novo espectáculo "Desperta!". Dirixido por Natalia Outeiro, "Pajarito", a nova proposta de Pistacatro afonda na identidade individual, na igualdade e a diferencia e no concepto de intimidade e privacidade. Que acontece cando ninguén nos mira? "Desperta!" é unha historia cotiá que percorre o universo persoal dos protagonistas que podería ser calquera das persoas que asistan ao espectáculo. A nova montaxe de Pistacatro conxuga circo, música ao vivo, humor e emocións que trasladan ao público a un mundo imaxinario e real á vez. DESPERTA trailer from Pistacatro on Vimeo. |
NOS_37717 | A Lei de Impulso Demográfico na que traballa a Consellaría de Política Social continúa o seu curso, nun novo intento do Goberno de aumentar o número de nacementos na Galiza. Expertas en demografía e migracións dos eidos da socioloxía, a historia ou a xeografía analizan as políticas que ten levado a cabo a Xunta, incidindo en que o problema da Galiza non é a súa demografía, se non un contexto socioeconómico que dificulta a inserción laboral en condicións dignas das mulleres e da mocidade. | En xullo, durante o transcurso dun pleno no Parlamento de Galiza o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixoo, afirmou que o problema demográfico da Galiza tiña a súa base en que "hai menos mulleres en idade fértil". Esta tese reflíctese nas políticas sociais da Xunta da Galiza e tamén na norma que ultima a Consellaría de Política Social: a Lei de Impulso Demográfico da Galiza. Oito anos procurando máis nacementos "Unha gravísima retracción da natalidade e un alarmante envellecemento da poboación, que dificulta as posibilidades de renovación xeracional e, en consecuencia, o mantemento do Estado de benestar social". Este é o comezo da Lei 3/2011 do 30 de xuño, de apoio á familia e convivencia da Galiza. Unha normativa que serviu de base para a elaboración do Plan Demográfico 2013-2016. A análise da evolución da poboación da Xunta tense vertebrado arredor de dúas variábeis: a idade media da poboación e o número de nacementos. No Plan Demográfico a Administración ligaba a transformación da poboación ao "aumento do número de separacións", "do número de persoas maiores en situación de dependencia", "das familias que carecen de ingresos estábeis" ou á "diminución do número de familias extensas". Unha diagnose que non difire da desenvolta polo Goberno sete anos despois. O anteproxecto da Lei de Impulso Demográfico da Galiza relaciona a redución da fecundidade "coa prolongación da etapa da xuventude, consecuencia das dificultades que atopa na transición á vida adulta". Isto implica, segundo a Administración, o "retraso na entrada do mercado laboral, o emparellamento tardío ou o progresivo incremento da ideade media da primeira maternidade". Como podes afirmar que aplicas políticas que fomentan a natalidade á vez que retiras os servizos públicos?, cuestiona Rocío Fraga A socióloga Rocío Fraga cuestiona que a evolución da demografía sexa un problema. "Trátase dunha tendencia natural, desde un punto de vista positivo significa que vivimos máis tempo", destaca. Fala desde a concentración en protesta polo peche do paridoiro de Verín. "Como podes afirmar que aplicas políticas que fomentan a natalidade á vez que retiras os servizos públicos que precisa a xente para vivir?". Problemas fóra de foco A cuestión que presenta Fraga é compartida por unha serie de expertas que desde os ámbitos da socioloxía, a historia ou a xeografía amósanse críticas coas análises da Xunta. As súas investigacións poñen o foco no contexto socioeconómico galego, base da quinta vaga migratoria do noso país. Esa mocidade "con dificultades na transición á vida adulta", segundo a Xunta, enfróntase a unha taxa de paro de 26,2% para menores de 25 anos e unha taxa de contratacións a tempo parcial de 22,5%. "Como consecuencia deciden emigrar, desenvolver o seu proxecto vital no estranxeiro", afirma o catedrático de Historia Moderna Isidro Dubert a Sermos Galiza. Dubert tamén denuncia que a Xunta non analiza as consecuencias dese contexto nin das migracións. Algunhas das propostas recollidas no anteproxecto son as achegas económicas, como os cheques bebé, a escolarización gratuíta universal de 0 a 3 anos ou apoios específicos ás familias numerosas. "Non teñen efectos ao longo prazo, son só unha apelación a unha base de votantes moi conservadora. Non se poden ligar políticas sociais ao voluntarismo das mulleres", indica a este medio o catedrático de Análise Xeográfico da USC Rubén Lois. Non se poden ligar políticas sociais ao voluntarismo das mulleres, di Rubén Lois "O que cómpren son políticas activas de emprego, protección de servizos e uns investimentos públicos que a Xunta non fixo", incide Lois. "Tamén axudas á vivenda ou ao coidado das persoas dependentes, que tardan ata dous anos en recibir axudas", engade Rocío Fraga. "O declive demográfico non se pode corrixir. Mentres, o problema é que non se propoñen medidas serias para evitar a emigración e, como consecuencia, hoxe marchan tres veces máis persoas que hai trinta anos", conclúe Rubén Lois. |
NOS_30797 | O referente de Esquerda Unida vai asumir en xaneiro a portavocía rotatoria de En Marea no Congreso dos Deputados. Posicionada coa candidatura Entre Todas, a que compite polo poder interno co villarismo, nega lexitimidade á Comisión de Garantías para paralizar as primarias, tal e como ese órgao fixo o pasado sábado 2 de decembro. "Paralizar unha votación é moi grave e por respeito á cidadanía e inscritos ten que ser explicada", dixo. | Yolanda Díaz considera que o único órgano que estatutariamente ten a capacidade para paralizar as primarias é o Comité Electoral, dominado polo sector crítico, e non a Comisión de Garantías, de maioría villarista. A dirixente de Esquerda Unida agarda que o núcleo que arrodea Luís Villares dea explicacións pola suspensión dun proceso que agora está pendente dos resultados de dúas auditorías, unha externa e outra interna. Nunha entrevista na SER Galiza, a parlamentar de Esquerda Unida negou que o seu grupo teña ningunha responsabilidade na hipotética intrusión telemática no censo de persoas inscritas. A Comisión de Garantías suspendeu as primarias após lanzar a acusación de que desde o sector crítico se producira un acceso non autorizado no listado. O que neste momento está a ser obxecto de pesquisa é se os datos foron alterados e se eventualmente se produciron altas ou baixas na relación de militantes con dereito a voto. Para Yolanda Díaz, a Comisión de Garantías "tomou unha decisión política" ao decretar a suspensión das primarias, "sen ter competencia para isto". En todo caso, e en ton conciliador, a líder de Esquerda Unida chamou a facer "un exercicio de prudencia" e a criar as condicións para que se reata o proceso e se vote de vez. "Hai que ser demócrata e asumir resultados", dixo. Alén das presuntas irregularidades no proceso electoral interno, para Yolanda Díaz o que está en xogo nestas primarias é o tipo de organización no que as persoas inscritas apostan. "O que está en disputa é o que quer ser En Marea", dixo a parlamentar, que considerou lexítimo o debate. Tamén se esforzou a futura portavoz de En Marea no Congreso en escorrentar a hipótese dunha suposta ruptura no seo da confluencia. Perguntada a respecto da posibilidade de que Unidos Podemos se apresente como tal en futuras convocatorias electorais na Galiza, deixou claro que a súa opción —"como militante de base˝— é por "sumar sempre" e por continuar nunha "plataforma" que conxugue unidade e diversidade. |
NOS_42498 | O recurso foi presentado pola avogada do líder abertzale por vulneración da Convención europea de dereitos humanos. Otegi leva no cárcere desde 2009. | O Tribunal europeo de dereitos do home (TEDH) ditará a vindeira quinta feira, 26 de novembro, sentencia sobre o recurso presentado pola defensa de Arnaldo Otegi, líder da esquerda abertzale preso desde 2009 e condenado por intento de reconstrución da formación ilegalizada 'Batasuna'. Tal e como informa a EITB, se o Tribunal de Estrasburgo lle dá a razón a Otegi, a súa saída da cadea só se adiantaría uns meses, posto que foi condenado polo Tribunal Supremo a 6 anos de cárcere, que finalizan a vindeira primavera. O recurso foi presentado pola avogada do ex-dirixente de HB e Batasuna, Jone Goirizelaia, que alegou que a decisión do Tribunal Constitucional español de denegar o amparo a Otegi e resto de acusados no 'Batergaune' vulnerou a Convención europea de dereitos humanos. En concreto, dos dereitos á imparcialidade xudicial e a presunción de inocencia. |
NOS_28892 | CIG afirma que tivo acceso a mensaxes que ao longo do día de onte, 9 de xullo, se moveron entre profesorado do ensino público, solicitando docentes de lingua galega para corrixir exames de acceso á universidade | A Comisión interuniversitaria de Galiza (Ciuga) non contaba con suficiente profesorado de lingua galega para a corrección dos exames da ABAU. Esta é a conclusión á que chega a CIG a raíz dunha mensaxe "difundida masivamente" entre profesorado de secundaria ao longo do día de onte e que foi denunciada polo sindicato tanto por profesorado como por nais e pais ás que tamén chegou esa mensaxe. O sindicato di que puido contrastar esta información con vogais designadas pola CIUG para a proba de galego e que informaron que malia que todas as docentes que se apuntaron para corrixir as probas foron aceptadas, ese número era insuficiente. Para a CIG-Ensino esta situación amosa "un nivel de improvisación que se debería ter evitado e non sabemos se se está a dar noutras especialidades". "Teñamos en conta que hai profesorado que desde hai aproximadamente un mes e medio xa sabía que ían realizar esta función e desde o día 10 de xuño xa se sabía canto alumnado tiña superado o Bacharelato e podería concorrer á ABAU, polo que é difícil de entender como se puido agardar até última hora para completar as necesidades que debían estar detectadas e solventadas con antelación". O sindicato demanda unha rápida solución ao problema, evitando sobrecargar ás persoas que van corrixir os exames e dando todas as garantías para a corrección das probas en tempo e forma. |
NOS_33057 | Con motivo do Día das Letras Galegas, Nós Diario conversa con cinco edís de diferentes Administracións locais que traballan no ámbito da normalización lingüística. Como Administración máis apegada ao día a día da cidadanía, poden comprobar o efecto das campañas que desenvolven ou dos eventos culturais ou obradoiros que promoven entre a veciñanza. Cuestionadas polo seu labor, todas coinciden en sinalar a importancia de centrar esforzos nas máis novas. | Preguntas1 | Con que obxectivos traballan e en que ámbitos enfocan ese labor?2 | Que dificultades atopan?3 | Que sería necesario para lograr un uso normalizado do galego no país? Alberto Oubiña, concelleiro de Pontevedra: "A nivel de país cómpre unha política que non sexa lingüicida" 1—Tratamos de focalizar o noso traballo no ámbito da xuventude, no ámbito da xuventude, abarcando desde os máis pequenos e pequenas até o alumnado universitario. Ofrecemos colaboración nos centros de ensino con obradoiros nos que se procura traballar un aspecto que nas aulas, polo deseño do sistema educativo, ten pouca presenza e que é o da oralidade. Nese ámbito participamos con programas concretos, como YouTubeir@s ou Enreguéifate e desenvolvemos un Club de Debate para reforzar o uso formal do galego. Tamén desenvolvemos roteiros pola cidade nos que a contamos desde o punto de vista de escritores ou escritoras, coma os dedicados a María Victoria Moreno, Castelao ou Xoán Manuel Pintos. No eido da música, puxemos en marcha o festival Galegote Rock. 2—A día de hoxe existe unha presión social que empurra á rapazada cara ao castelán. Semella que o galego está pragado de pedras no camiño, que non vas poder desenvolver a túa vida con normalidade se falas en galego. Queremos amosar a nomalidade de vivir na nosa lingua e amosar que facelo abre portas dentro do propio país e tamén fóra del. E que existe un mundo cheo de posibilidades nos campos da ciencia, da música ou da literatura no noso idioma. De tanta ou de incluso máis calidade que noutras linguas. 3—Se ben nós traballamos a nivel local, estamos integradas na Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega. Temos a sorte de ter sido un dos concellos que participou da súa fundación e cremos na necesidade de traballar desde o local para o xeral, para que a frecuencia de galegofalantes se incremente no país. É, ademais, un punto no que poder atoparse. Non é a mesma situación a dun concello da Costa da Morte que a dun do centro de Ourense ou doutra zona do país. As diferenzas entre a poboación e uso da lingua están aí. A nivel de país penso que compre unha política lingüística a favor da lingua, que non sexa unha política lingüicida. Nestes días vimos ao presidente da Xunta dirixirse aos galegos falando en castelán sobre a COVID-19. O galego é un tesouro, pero non ten que quedar nunha caixa forte. Hai que telo presente todos os días. Sonia Outón, concelleira de Vilagarcía de Arousa: "A normalización do galego require o compromiso de todas" 1—En Vilagarcía temos a sorte de contar cun dos servizos de normalización lingüísticos máis antigos da Galiza, de principios dos 90. O noso compromiso vén de longo e mantívose no tempo. Ademais, é transversal a todo o Concello. A lingua na Administración local xa está asentada, polo que agora incidimos sobre todo na mocidade. Xa como actividades que facemos nos útlimos anos, máis recentes, fomos un dos membros fundadores da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega que se consolidou en febreiro de 2019.E stamos adheridos ao programa Apego desde 2017 incidindo moito nos máis novos, é a poboación máis obxectivo, que nenos e mozos manteñan a lingua 2—A xente responde ben cando a programación é coidada e de calidade. Por exemplo, arredor do Día das Letras Galegas adoitamos ofrecer actividades espalladas que agora teremos que reformular e reconducir a través das redes sociais. 3—A normalización da lingua galega require o compromiso de todas e todos nós. Hai que facer o galego atractivo para a xente moza, sobre todo nas cidades. Canto máis urbana é a poboación menos se fala galego. É certo que as xeracións maiores non teñen ese problema. Temos que incidir na mocidade desde todas as Administracións. Nós colaboramos co comercio local desde os institutos. Uns anos facemos manteis para a hostalaría con obras dos alumnos, outros panos. É a maneira de estar na rúa, facendo tecido co comercio ou reivindicando figuras da nosa cultura. Procurar a comuñón de todos os sectores neste labor e non só dos servizos de normalización. Esther Garrido, concelleira de Oleiros: "Necesitamos máis recursos na nosa lingua aos que acceder" Non nos limitamos a facer actividades nun día senlleiro, senón que procuramos achegar o idioma á nosa xente durante todo o ano. Tanto ao sector dos máis novos, que é o máis difícil, pero non por iso deixamos de facelo. Tamén traballamos moitísimo con actividades en centros de ensino, iso desde o ámbito da cultura, das bibliotecas, ou mesmo da propia política lingüística. Cando comeza o curso temos unha reunión cos centros de ensino, aos que entregamos un libro de actividades educativas das bibliotecas, pero tamén deportivas ou do ámbito da cultura. É un abano moi amplo e ás veces temos problemas para seleccionalas, porque o profesorado ten que seguir a dinámica do curso. Para a mocidade centrámonos nas actividades educativas e, no verán, ofrecemos obradoiros de teatro en galego. Depende do que procuremos desenvolver cada ano. Pero si, na mocidade tentamos incidir moito. 2—En xeral, chegar á xente máis nova, aínda que a medida que se foron proxectando as actividades isto mudou. Antes había quen cuestionaba por que toda a programación está en lingua galega e agora xa non nos preguntan iso. O falalo é o problema, mais penso que será igual en todos os concellos. Cando falo con compañeiros é o que me transmiten, agás en áreas rurais. 3—Cómpren máis actividades, máis recursos aos que poidamos acceder. Tamén dar a posibilidade de que quen teña pendente os cursos Celga que se faciliten desde os Concellos. A nosa técnica imparte ela durante un mes ou mes e medio cursos de preparación cando se convocan os exames. Maite Ferreiro, concelleira de Lugo: "Precisamos un Goberno e un presidente que crean no galego" 1—Toda a actividade que se fai nesta área vai encamiñada a dar a coñecer e animar para normalizar o uso do galego e que non se perdan máis falantes. Tentamos facer actividades sobre todo para as crianzas. Por exemplo, estamos adheridos ao programa Apego. Outro exemplo, no San Froilán temos un programa en galego dedicado ás nenas e nenos. 2—En Lugo seguimos tendo unha franxa importante de poboación galegofalante. Porén, a nosa problemática penso que é semellante á do resto do país: as crianzas e adolescentes. Tamén existe un problema a nivel de Administración. En 2012 o Concello de Lugo aprobou unha ordenanza lingüística que era moi avanzada para o seu tempo, sen ser extraordinaria nin confrontar ningún dereito individual. A ordenanza foi denunciada por Galicia Bilingüe e a xustiza deulle parcialmente a razón. A denuncia fixo moito dano, obrigándonos a recortar artigos máis necesarios que nunca. A sentenza considera unha situación que non é real, que é a falta de uso do español nas Administracións públicas. Valoraron que a cidadanía non tiña dereito a usar a súa lingua cando a situación é a contraria: é a cidadanía galegofalante a que ten que pedir ser atendida na súa fala. A maiores, eu tamén atopo un retroceso no uso do galego na política local nos últimos tempos. Na realización de plenos, por exemplo, ao presentar mocións é máis común agora o uso do castelán. 3—Precisamos un Goberno galego e un presidente da Xunta que crea na nosa lingua, que crea na nosa fala. O actual presidente amosa que se avergoña de falar galego, que non a sente como unha lingua útil. Nesta situación de alarma sanitaria, nas súas comparecencias na televisión pública galega, demostra o seu desprezo cara á lingua galega mudando por outra que considera importante e superior, o castelán. Sería importantísimo cambiar esa situación na Xunta da Galiza e ter un Goberno galego que promova o uso da nosa lingua. Tamén un Goberno que, a maiores, non axude a difundir ese conflito social inventado polo cal o castelán está sendo discriminado ou desprazado cando a situación real é a contraria. E tamén é necesaria unha política lingüística axeitada ao país. O actual Goberno galego non pode facer iso porque non o cre útil nin tampouco necesario. Noa Díaz, concelleira de Santiago de Compostela: "Cómpre combater o trilingüismo que promove a Xunta da Galiza" 1—No eido empresarial temos varios programas que fomentan o uso do galego e o prestixian, así como o premio Manuel Beiras co que recoñecemos a traxectoria de empresas que empregan a nosa lingua. Tamén desenvolvemos o certame Fotolingua ou achegamos programas de axuda para mellorar a comunicación en galego. Participamos doutros programas do ámbito local especificamente dirixidos á rapazada, como son YouTubeir@s ou Enreguéifate, e aos nenos e nenas máis pequenos, caso de Apego. 2—En xeral non atopamos dificultades, o certo é que en Santiago de Compostela a situación do galego non é tan mala. De feito, xunto con Lugo, conta coas porcentaxes máis altas de falantes en espazos urbanos. Con todo, e como ben sabemos, aínda que o galego é a lingua propia do país, non todo o mundo o entende así. 3—As Administracións locais realizamos un traballo complementario, xa que a competencia en Política Lingüística é da Xunta da Galiza. E está claro que o que se está a facer desde o Goberno galego non é suficiente a todas as luces porque as estatísticas son as que son, os índices de uso do galego non melloran. Onde incidiría eu? Na educación, hai que combater ese trilingüisimo que agora se promulga desde a Xunta da Galiza. Porque se ben é importante aprender e falar inglés, e penso que isto ninguén o pon en dúbida, é bastante mellor e máis lóxico que a rapazada coñeza, por exemplo, as partes do corpo humano na súa propia lingua antes que en inglés. E a día de hoxe, en función da materia, podemos atopar nenas e nenos que saben dicir perfectamente xeonllo en inglés, pero que non recoñecen esa palabra no seu idioma. Daquela, penso que o esforzo hai que dirixilo á educación. Tamén ao prestixio do idioma, por suposto, mais considero que se fomentamos o uso do galego desde as escolas evidentemente imos ter un índice maior de éxito no noso uso cando nos comportemos como persoas adultas. Nese camiño, creo que é fundamental revisar e volver estudar o decreto lingüístico que aprobou no seu momento o Goberno bipartito. Nel falábase, penso que dunha maneira xusta, do incremento das materias que tiñan que ser impartidas en lingua galega para normalizar o seu uso. |
PRAZA_6277 | O Alto Comisionado admite a trámite a queixa de Galicia Mellor Sen Touradas por non facer públicos os subsidios aos grupos protouradas. A Deputación da Coruña xa fora obrigada a aclarar as subvencións a unha peña. | O Valedor do Pobo vén de admitir a trámite a queixa da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas (GMST) contra a Deputación Provincial de Pontevedra por non facer pública a relación de subsidios que a institución otorga a "grupúsculos taurinos" e á propia organización dos festexos durante o mes de agosto, segundo vén de anunciar a propia organización. O Valedor admite a trámite a queixa de Galicia Mellor Sen Touradas contra a Deputación por non aclarar os subsidios que dá aos "grupúsculos taurinos" GMST rexistrou o pasado 4 de agosto un escrito no que advertía da "falta de respostas da institución que dirixe Rafael Louzán respecto das solicitudes formuladas por cidadáns e colectivos abolicionistas", indicando ademais que esta situación de "falta de transparencia" xeraba un contexto de "desconfianza" entre a propia cidadanía e as administracións públicas. Os abolicionistas pedían na súa queixa ao Alto Comisionado o inicio do expediente que permitíra crear unha situación de "transparencia" que facilitara "o destino real das peticións de información". O Valedor do Pobo require agora á Deputación a información necesaria para a comprobación das circunstancias mencionadas na queixa, a falta de resposta ás peticións e demais datos relevantes para a resolución do expediente. Louzán ten quince días para respostar. A Deputación da Coruña xa tivo que remitir ao Alto Comisionado a relación completa dos subsidios a unha peña taurina GMST lembra que hai un precedente semellante. A Deputación da Coruña tivo que remitir ao Valedor unha relación completa dos subsidios que otorgou a unha peña taurina da provincia durante o período de tempo solicitado polos propios abolicionistas. Grazas á intervención do Alto Comisionado, a plataforma "puido coñecer por primeira vez e de primeira man que subvencións foron xustificadas e cales non, co que o propio grupúsculo taurino foi incapaz de recibir determinados fondos". A plataforma non destacar novas queixas ao Valedor para "coñecer se os cargos institucionais pagan as súas entradas aos palcos" Dende a alianza galega non descartan remitir novas queixas para "coñecer se os cargos institucionais pagan as súas entradas aos palcos ou, polo contrario, é o conxunto dos pontevedreses os que financian os gustos persoais dos políticos". |
NOS_5174 | O Instituto Galego de Estatística (IGE) amosa uns datos abafantes para a evolución da economía galega. A información, tirada do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (Borme), concorda coa caída do número de autónomos e autónomas. O colectivo ten unha fonda preocupación polo futuro máis inmediato e agarda que se contabilice un maior número de baixas en "setembro e outubro" | A economía galega non é quen de remontar despois duns meses a un ritmo moi baixo. Malia que as grandes empresas seguen a manter uns resultados importantes, as emprendedoras e os emprendedores non están a apostares por crear novos negocios que sosteñan a evolución da Galiza. O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar os datos de altas de compañías do mes de xuño e, ao sumar o primeiro semestre do ano, os rexistros foron un 30% menores que no mesmo período do ano pasado. En total o Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (Borme) fixo públicas 1504 incorporacións a rede empresarial do país, fronte ás 2134 que se deron entre xaneiro e xuño de 2019. O resultado é malo se ben algúns consideran que, dada a situación, o número deste ano pódese interpretar como elevado. Na gran maioría dos casos, os negocios que viron a luz na Galiza no que vai de ano se crearon coa figura das sociedades de carácter limitado. Estiveron a Mariña Oriental, o Barbanza e O Ribeiro para liderar as excepcións e amosar que aínda nos malos momentos poden xurdir iniciativas económicas interesantes. Alí os resultados foron mellores que nos primeiros meses de 2019, desafiando calquera crise. Tamén ascenderon as altas no rexistro mercantil na comarca de Muros, na Limia e no Ribeiro. Comarcas cun pulo emprendedor Nas sete grandes cidades -e nas súas comarcas- contabilizáronse importantes caídas como se foi observando mes a mes, mentres outras áreas do país sorprenderon tendo un maior movemento empresarial en pleno peche. Na capital galega, sen ir máis lonxe, sumouse case medio cento menos que un ano antes. Pola contra, nos concellos do Barbanza houbo 41 nacementos de negocios cando un ano atrás só celebraran 33. No caso de Muros inscribíronse dúas empresas máis e na Mariña Occidental o crecemento foi de sete compañías. No Ribeiro o número de sociedades a estrear pasou de catro a 11 a pesar das dificultades coas que se atoparon os empresarios e emprendedores. Outras áreas se mantiveron nunha situación similar: Arzúa con nove apuntamentos no rexistro mercantil; Terra de Soneira (10); Xallas (3); Os Ancares (3); Meira (2); Verín (10) e Viana (3). O groso da baixada do 30% deuse no resto de comarcas, cun papel moi importante naquelas zonas lindeiras coas principais urbes. Preocupación entre as autónomas Diante desta situación e das trabas xerais no mercado empresarial, as autónomas e os autónomos testemuñaron a súa fonda preocupación. O presidente da Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) a nivel estatal, Lorenzo Amor, destacou que o número de traballadores por conta propia descendeu en máis de 1.900 persoas na Galiza no primeiro semestre de 2020. "Os datos non son bos", resaltou, á marxe de certa suba en xullo. En declaracións a Nós Diario, o presidente de ATA Galiza, Rafael Granados, compartiu a teoría de que as baixas "están freadas e vanse notar a finais do verán, en setembro e outubro". É dicir, aínda non se deixaron notares todos os efectos desta crise sen referencias comparativas. Granados propón a idea de que agora as persoas activas acollidas a este réxime de traballo están percibindo axudas do Estado de xeito que non se contabilizaron tantas despedidas. Porén, á prorroga das medidas para paliar os efectos económicos nas contas dos autónomos impulsada polo Goberno de Pedro Sánchez, ten agora máis atrancos quer porque os autónomos con cota reducida "non teñen cotizado durante doce meses pola prestación do cese de actividade", quer porque resulta moi complexo "demostrar o 75% de perda" de ingresos en relación á mesma etapa do ano pasado. É posíbel que moitos teñan que devolver os subsidios sumándolles un recargo. Facturacións perigosas "Levamos tres meses de facturacións ridículas e se pasamos outros tres meses con perdas do 75% moitas empresas van ter que cerrar", afirmou, insistindo en que estas más novas notaranse "en setembro e outubro". Polo momento, entre decembro do ano pasado e xuño desapareceron 1908 autónomos como número medio. Agora ben, analizando os datos de "último día", como suxire Granados, a diminución sería de 2312 traballadores independentes. Para loitar contra esta problemática, que xa está a facer moito dano a economía do país -ao igual que o freo na alta de empresas-, o representante de ATA Galiza demanda unha "ampliación das axudas" para que non sexa tan complexo cumprir os criterios para as pediren. Tamén solicita "unha rebaixa fiscal porque precísanse inxeccións económicas directas". |
NOS_21480 | A vitoria do Clube Deportivo Lugo ante o Mirandés permitiulles manter a praza na categoría de prata. Lamentabelmente, a vitoria do Albacete ante o Cádiz fixo que o Dépor sexa xa equipo de Segunda División B aínda sen xogar o encontro adiado polos sete positivos en coronavirus do seu rival, o Fuenlabrada. | 40 anos despois, o Dépor é equipo de Segunda División B. Non dependía de si mesmo, e as vitorias de Albacete e Club Deportivo Lugo, que asegurou a súa presenza un ano máis na categoría de prata, sentenciaron o conxunto branquiazul. Dépor e Lugo tiñan previsto xogar ás 21 horas de hoxe cadanseu derradeiro partido da Liga no que aspiran a conservar a praza na categoría de prata. Mais o Fuenlabrada (conxunto rival do Deportivo e que se atopa na cidade da Coruña) conta con sete xogadores que deron positivo por coronavirus, polo que os autobuses da escuadra madrileña non se presentaron no Estadio de Riazor. A entidade branquiazul xa anunciou que impugnará o partido por incomparecencia do conxunto madrileño, considerando que non se presentaron no estadio dentro da marxe legal de tempo estabelecida. Mentres tanto, o aeroporto da Coruña informaba de que o voo charter do Fuenlabrada no que tiñan previsto regresar a Madrid na xornada de mañá foi "cancelado e reprogramado". O equipo madrileño está agora mesmo confinado no seu hotel da Coruña por orde do Sergas. O Consello Superior de Deportes (CSD) determinou que se xogasen todos os partidos menos o Dépor-Fuenlabrada: "Convocamos unha reunión extra a pedimento da Liga con CSD, RFEF e Liga na que se decidiu que se suspendese unicamente o Deportivo-Fuenlabrada". "Faise por protexer a saúde dos xogadores de ambos os equipos e tómase unha circunstancia excepcional, debido a que adoitan xogarse todos os partidos ao mesmo tempo, de suspender só un por unha cuestión de lóxica pura que é que se celebre todo o que se poida en condicións sanitarias seguras", indican, nunha medida que adultera a competición pois perxudica os intereses do conxunto branquiazul. Equipos como o Raio Vallecano, pese a saltar ao terreo de xogo, denunciaron que o fixeron baixo "ameazas" de perda de puntos, nun escándalo que non para de aumentar e ao que factores como que o fillo do presidente da Liga de Fútbol Profesional, Javier Tebas, sexa o avogado do Fuenlabrada non fan máis que botar máis leña sobre o lume. |
NOS_44343 | Os nacionalistas presentaron unha proposición non de lei para que contratos en formación para o estudantado e as prácticas laborais sexan remuneradas ao 100%. Foi rexeitada cos votos do PP. | O BNG presentou unha proposición non de lei dirixida a evitar que diñeiro público forneza a precariedade laboral para a mocidade, solicitando que os contratos en formación para o estudantado e as prácticas laborais sexan remuneradas ao 100%. A deputada Montse Prado demandou un plan que evite o destino dos fondos públicos para un modelo de contratación que substitúe postos de traballo. Recalcou a parlamentar do BNG que na actualidade os mozos e mozas con máis de trinta anos e cun contrato de formación, "cobran 426 euros" pero tamén estamos, dixo, ante contratos da mocidade entre 20 e 24 anos con condicións lamentábeis e precarias que son contratados en practicas por "períodos cada vez máis longos". Así o goberno pode "maquillar as cifras de desemprego" porque o único dato de contratacións que sobe é a dos contratos de formación. A iniciativa do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do PP: |
NOS_57457 | Un escritor e un ilustrador, os dous nomes relevantes na edición infantil, botan a andar xuntos un novo proxecto, "O neno amarelo", unha escola de ilustración na que a palabra e a ilustración, a técnica e a teoría, se dan a man. | "O neno amarelo" nace como escola de ilustración co aval de dous dos nomes máis destacados da edición infantil, Miguel Vázquez Freire e Xosé Tomás, os dous tamén profesores de profesión. Como equipo teñen asinado numerosos proxectos colectivos, desde o ámbito do álbum ilustrado ate obradoiros en centros educativos ou volumes de banda deseñada. Agora xúntanse, coa apoio de Baia Edicións e o Colexio San Narciso de Marín, para promover un espazo de formación no que a ilustración e a técnica daranse a man coa palabra, a teoría e a literatura co álbum ilustrado como referente. As sesións do programa terán lugar os venres á tarde en San Martiño Pinario, no centro histórico de Compostela, ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro e por elas pasarán, de maneira alterna a teoría e a análise de Miguel Vázquez Freire e a aplicación práctica de Xosé Tomás. Outra parella ben coñecida da edición infantil, o escritor Xabier P. Docampo e o ilustrador Xosé Cobas, participarán no programa a través dunha Máster Class conxunta. A directora de Baía Edicións, Belén López mais a da Biblioteca Infantil e Xuvenil da Coruña, Mercedes Cerdeiras serán as protagonistas doutras das clases da escola. Cada participante realizará un proxecto titorizado polos profesores ao final do curso e Baía Edicións escollerá quen será o ilustrador ou ilustradora escollida para a publicación dun álbum de maneira profesional. Para máis información e matrícula está operativa unha páxina web. |
NOS_38404 | Segundo un estudo do Consello Xeral de Enfermaría. | Un estudo levado a cabo polo Consello Xeral de Enfermaría ( CXE) estima que, nun escenario pesimista de evolución da pandemia de Covid-19, Galiza requiriría 515 enfermeiros e enfermeiras máis nas unidades de coidados intensivos (UCI) para poder dar resposta a unha posíbel ocupación do 100% das camas dispoñíbeis e cumprir o cociente recomendado. Ademais, e segundo este documento, dentro do peor escenario da pandemia, Galiza necesitaría incorporar nesas unidades 286 camas. O estudo calcula que nese escenario pesimista de evolución da pandemia de, o conxunto do Esatdo español requiriría de entre 11.900 e 13.426 enfermeiros máis nas unidades de coidados intensivos (UCI). "A presión hospitalaria na segunda onda é, desde logo, importante, pero non chegou como a vez anterior. Aínda podemos dar resposta ás demandas que temos actualmente. Pero esta situación das UCI preocúpanos moito. Todo vén ocasionado polo déficit de profesionais, nalgún momento haberá que solucionalo", sinalou en rolda de prensa virtual o presidente do CXE, Florentino Pérez Raia. Os maiores aumentos na creación de novas camas UCI a raíz da Covid-19 obsérvanse na Rioxa, Murcia e o Principado de Asturias Coidados A cobertura das unidades de coidados intensivos da Galiza está por baixo das necesidades da súa poboación. Mentres o Estado español sumaba a finais de febreiro 4.044 camas UCI, 3.058 na pública e 896 na privada, o que representaba 8,28 prazas por cada 100.000 habitantes a cifra reducíase na Galiza a 5,92 prazas por cada 100.000 habitantes. A fenda é tamén moi elevada en relación a nacións como Alemaña, con 29,2 camas por cada 100.000 habitantes, Italia con 12,5 camas por cada 100.000 habitantes ou Francia con 11,6 camas por cada 100.000 habitantes. |
PRAZA_18297 | ENTREVISTA | Julia Bernal, directora de Red Hat para España e Portugal, participou este venres na Coruña nun encontro con alumnado de ensino medio, dentro do programa GIRL STEM: derrubando estereotipos, co que AGASOL busca estimular a incorporación de mozas ás carreiras cientifícas e tecnolóxica, nas que seguen a ser unha minoría. | Na actualidade menos do 30% das persoas matriculadas nas carreiras de ciencias, tecnoloxía, enxeñarias ou matemáticas son mulleres, unha porcentaxe que mesmo se reduciu na última década, incrementando unha fenda de xénero que xa era importante. Nos últimos anos varias iniciativas traballan en distintos ámbitos por reverter esta tendencia, incidindo sobre todo nos centros de ensino, para incentivar as vocacións cientifico-tecnolóxicas entre as nenas. A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) están a organizar unha serie de encontros de mulleres triunfadoras en campos científicos e tecnolóxico con alumnado de secundaria das sete cidades galegas. O programa GIRL STEM: derrubando estereotipos pasou xa por Ourense, Ferrol, Pontevedra, Lugo, Vigo e Santiago e este venres 19 de outubro estivo na Coruña, na Fundación Barrié. O obxectivo do programa consiste en orientar e empoderar ás rapazas con charlas inspiradoras destas directivas e investigadoras que lles falarán do seu traballo, para animar ás máis novas a escoller titulacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas). Na iniciativa participan referentes como Julia Bernal (directora xeral de Red Hat en España e Portugal), Monsterrat Guardia (Directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell) e Edita de Lorenzo (profesora da Universidade de Vigo e secretaria xeral da Asociación PuntoGal). Ademais dos encontros con mulleres referentes, lévanse a cabo outras sesións de sensibilización en institutos, nas que se proxectan vídeo-testemuñas e tamén se desenvolven charlas e dinámicas abertas á participación de distintos colectivos con implicación na orientación vocacional das nenas (profesorado, departamentos de orientación, familias, así como nenos e nenas). A sesión da Coruña estivo protagonizada por Julia Bernal, considerada unha das máis importantes directivas españolas. Ten máis de 25 anos de experiencia no sector das tecnoloxías da información e ocupou numerosas posicións técnicas e de liderado en xigantes tecnolóxicos como HP, Sun Microsystems e Oracle. Red Hat é a maior empresa provedora de solucións de código aberto (open source) empresarial do mundo, cun valor en Bolsa superior aos 25.000 millóns de dólares e uns ingresos anuais de case 3.000 millóns. Falamos con ela. "Esta iniciativa está enfocada a nenas de entre 13 e 15 anos, que están polo tanto na idade de tomar decisións sobre os seus estudos e de interesarse por uns determinados campos. Se actuamos despois pode ser demasiado tarde" A falta de referentes femininos está bloqueando a incorporación de mulleres ás carreiras científicas e tecnolóxicas? O que vimos observando é que no campo da ciencia e da tecnoloxía, o que chamamos carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), hai cada vez menos presenza feminina nas universidades, nos últimos dez anos o número de matriculadas decreceu un 25%. Na actualidade a presenza feminina neste tipo de carreiras é de tan só un 28%. Hai polo tanto unha preocupación e preguntas sobre por que se está producindo este fenómeno. Polo tanto estamos tentando concienciar e achegarlles estas carreiras ás nenas que están na idade de elixir o seu camiño. É importante amosarlles ás nenas referentes femininos que escolleron estas disciplinas e que tiveron unha carreira brillante, cun desenvolvemento profesional exitoso. "Os medios de comunicación adoitan proxectar imaxes de mulleres que non precisamente imaxes de mulleres triunfadoras nos campos da ciencia, a enxeñaría e da tecnoloxía" A clave é actuar nestas idades, antes de que as rapazas escollan o seu camiño profesional? Efectivamente. É por isto que esta iniciativa está enfocada a nenas de entre 13 e 15 anos, que están polo tanto na idade de tomar decisións sobre os seus estudos e de interesarse por uns determinados campos. Se actuamos despois pode ser demasiado tarde. Estamos tentando cambiar a actual tendencia nese momento, cando aínda hai tempo. Ademais desa falta de referentes, que outros factores poden estar sendo un obstáculo que explique esta fenda de xénero no sector? Ás mulleres cústanos moito chegar a certos niveis e traballos. E, ademais, hai tamén unha falta de visibilidade do que facemos, do que fan as mulleres referentes nestes sectores. É certo que os medios de comunicación adoitan proxectar imaxes de mulleres que non precisamente imaxes de mulleres triunfadoras nos campos da ciencia, a enxeñaría e da tecnoloxía. "As políticas de conciliación familiar no traballo van axudar a que as mulleres teñamos cada vez menos barreiras e obstáculos á hora de desempeñar unha carreira profesional" No teu caso -ou no de mulleres que coñezas de primeira man- percibiches a existencia de obstáculos engadidos, que che fixeron máis difícil ascender na túa carreira profesional? Na universidade non hai obstáculos engadidos, posto que aí contan as cualificacións académicas e aí estamos á par e mesmo superamos aos varóns. Na miña vida profesional eu non diría que sufrín discriminación, pero si que se presentan algunhas barreiras, especialmente nos períodos de conciliación familiar, que nolo poñen ás mulleres algo máis difícil. As políticas de conciliación familiar no traballo van axudar a que as mulleres teñamos cada vez menos barreiras e obstáculos á hora de desempeñar unha carreira profesional. "Se as mulleres non participamos neste campo, nestes cambios que tanto impacto están tendo no mundo, haberá unha visión moi nesgada do universo que estamos construíndo" A ciencia e a tecnoloxía teñen unha relevancia fundamental na configuración das nosas sociedades. A actual fenda de xénero nestes campos pode ter unha importancia máis decisiva que se se producise noutros sectores? O mundo está avanzando moi rápido e a ciencia e a tecnoloxía teñen unha relevancia moi importante na transformación que se está producindo. Non diría que outros campos son menos importantes, pero a transformación tecnolóxica está sendo moi rápida, está transformando o mundo. Se as mulleres non participamos neste campo, nestes cambios que tanto impacto están tendo no mundo, haberá unha visión moi nesgada do universo que estamos construíndo. Por iso é tan importante que rachemos a fenda de xénero nestas carreiras. |
NOS_25709 | Máis de cen persoas asistiron na quinta feira á presentación de Ecoar, (Espazo de Contradiscurso, Coordinación e Construción de Alternativas e Resposta Social), unha plataforma que agrupa a vintesete colectivos sociais e conta que se sumen trinta e catro máis nos próximos meses. Guillerme Cid, un dos promotores de Ecoar, achéganos aos obxectivos da plataforma social. | -Con que fin nace Ecoar? Trátase dunha plataforma de colectivos sociais e persoas que pretende coller os distintos impulsos que se están a dar na sociedade, en concreto en Vigo e a súa contorna, alén de converxer con outros movementos que se producen internacionalmente. -Que obxectivos persegue? Ten dúas pólas, por unha banda o grupo de Contradiscurso que se encarga de xerar unha liña ideolóxica e, pola outra, como coordinación de acción de rúa e construción de resposta social. O espírito tómase dos movementos que se están a dar, desde as revolucións do mundo árabe que se espallaron até a revolta que se está a producir en México. Queriamos contar cunha ferramenta para a coordenación de todas as loitas. -Son só colectivos sociais os que se articulan en Ecoar? Trátase dun proxecto independente no que participan colectivos sociais. Sindicatos e partidos teñen unha estrutura xa organizada e o que pretendiamos é crear un espazo onde converxer. Iso non significa que non podamos facer accións compartilladas mais Ecoar nace como unha plataforma de colectivos sociais. -Fala de construción ideolóxica, hai un perfil que define Ecoar canto ás ideas que defende? O perfil é diverso, composto pola xente que participa nos movementos sociais mais hai desde antiglobalización, organizacións non gubernamentais e mesmo persoas que participan a título individual en partidos políticos e sindicatos, sen que estes integren a plataforma. Están presentes diversas sensibilidades. Neste momento vintesete colectivos participan en Ecoar e contamos con que nos próximos meses se integren 34 máis. Contactamos con 92 que actúan en Vigo e a súa contorna. -Trátase entón dunha plataforma operativa que aporta ferramentas aos colectivos? Esa é a proposta. O fin de Ecoar é sumativo, xerar ferramentas sociais. Na nosa páxina web cada colectivo ten un código para subir os seus materiais e poder coordenarse. Queremos activar tamén un almanaque para coordenar as nosas actuacións que poden converxer. Os colectivos pequenos non contan con ferramentas e medios e a revista de Ecoar pode levar o seu discurso á rúa. A plataforma xera un espazo para converxer forzas. -A crise está a producir maior mobilización social? Que teñamos 500 desafiuzamentos diarios e un 26% de pobreza fai que a contorna se sensibilice e busque saídas. A efervescencia é cada vez maior e máis xente se suma aos colectivos sociais. Vigo é unha cidade tradicionalmente obreira e a crise degola desde abaixo as clases máis desfavorecidas. Iso nótase na resposta social e puidemos velo na contestación á última folga xeral. Nacen tamén moitos grupos de acción directa de rúa. A medida que a crise vaia fanando dereitos e liberdades a xente tende máis ao enfado e á mobilización. |
NOS_34317 | Despois dunha campaña na que o BNG intensificou o contacto directo coa cidadanía e deu voz aos colectivos afectados polas políticas da troika, a súa candidata Ana Miranda solicitou o voto nun multitudinario acto en Vigo no que defendeu a súa opción nacionalista como a "voz directa de Galiza en Europa". | A candidata do BNG, Ana Miranda, pechou en Vigo a campaña nun multitudinario acto no que animou á participación neste 25 de maio no que a singularidade da opción que defende é que Galiza teña voz directa en Europa. Pediu o voto de todos e todas "aos que nos rouban o futuro como persoas e como pobo". Pediu o voto para unha voz, a do BNG, que durante a campaña foi obxecto de acoso e intento de silenciamento. "Fomos atacados nesta campaña, puxéronnos todo tipo de atrancos, fomos censurados pola Xunta Electoral e pola Falanxe rosa e non foi casualidade. Atacáronnos porque somos o voto que lles doe", defendeu Ana Miranda ao tempo que denunciou que o voto de 103.724 galeg@s se correspondese só con "18 segundos na TVG". "Vota BNG porque se o Bloque está, Galiza está", arengou Ana Miranda Voz directa de Galiza en Europa, voz contra a troika e a favor do pobo. Eses foron os eixos cos que o BNG puxo fin a unha campaña na que, máis que nunca, se optou polo contacto directo, pola presenza de colectivos sociais especialmente afectados polas políticas neoliberais europeas, e se multiplicaron os actos ao longo de todo o territorio. Unha campaña que se presentou como autofinanciada, sen endebedamento, apoiada co esforzo de militantes e cunha activa participación das persoas implicadas nas loitas sociais coas que a organización nacionalista saíu á rúa nos últimos anos. "Os do Bloque somos dos teus. Demos a cara contigo nas rúas contra os que rouban todo aquilo que che importa. Non te imos deixar tirado. Este domingo non quedes na casa. Rebélate. Vota BNG porque se o Bloque está, Galiza está", dixo a candidata nacionalista no mitin que puña fin á campaña na Estación Marítima de Vigo. A solución está no nacionalismo "A solución non virá de fóra, non virá das forzas estatais de obediencia madrileña, que sempre deixan tirada Galiza", defendeu Ana Miranda nun discurso no que non dubidou en equiparar os candidatos do PP e do PSOE xa que, ao seu ver, "na defensa dos intereses galegos tanto monta, monta tanto Arias Cañete coma José Blanco".Fronte ese relegar os intereses galegos do que chamou o "bipartidismo harmónico españolista", contrapuxo un BNG para quen "Galiza é primeiro, como demostramos en Europa todos estes anos". Recortes de servizos públicos, de educación, da sanidade, das pensións ou os salarios son as liñas de acción que para a candidata nacionalista fai do goberno de Feijóo na Xunta a representación da Troika en Galiza. "Feijóo e o PP son a troika en Galiza, os executores dunha política que causa emigración, paro, pobreza, exclusión social e mesmo fame", defendeu Ana Miranda que dirixiu en distintas ocasións a súa atención cara ao presidente do PP galego, o, segundo dixo, verdadeiro representante das minorías, xa que "só representa os ricos e as grandes empresas do IBEX, a esa minoría que provocou a crise". As maiorías están, pola contra, da parte do BNG que é quen, para Miranda, "representa a maioría social deste país, porque defende os sectores produtivos, os pensionistas acosados, os aforradores estafados, a mocidade que emigra, os que non encontran traballo nin buscando debaixo das pedras, os que están ao lado dos que defenden os servizos públicos de calidade e para todos e todas". A candidata ao Parlamento Europeo polo BNG pechou a campaña nun mitin no que tamén participaron o portavoz nacional Xavier Vence, a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso ademais de representantes de colectivos afectados directamente polas políticas da troika como traballadores do naval, persoas que padecen a estafa das preferentes ou das hipotecas. |
NOS_15467 | CIG advirte das consecuencias laborais e sociais dos procesos de concentración bancaria en marcha | Galiza será un dos escenarios nos que se libre un novo capítulo da concentración bancaria. Após a anunciada fusión de Bankia e Caixabank, que en principio non terá un impacto salientábel no país, chega a de BBVA e Sabadell, á que se une un novo axuste de persoal do Santander no Estado español. Segundo sinalan desde a CIG, que hoxe deu unha rolda de prensa para abordar os efectos destes movementos no sector, cando hai un proceso de reconversión en determinado sector adóitase pactar un marco normativo específico para protexer o persoal. Porén, no caso dos bancos "isto non é así". Nesta liña, a secretaria nacional de CIG-Banca, Sefi Romero, apunta que as reformas laborais non foron derrogadas, polo que o marco de negociación vai ser "claramente desfavorábel para os cadros de persoal". En canto ás saídas, apunta que a anterior reforma das pensións pactada polo Goberno do PP, a patronal, CCOO e UXT atrasou a idade de xubilación anticipada en caso de ERE. "Esa medida endurece a posíbel saída branda para o excedente de persoal derivado do proceso de concentración". Tamén menciona a discriminación fiscal a respecto das indemnizacións por despedimento, "porque cando hai ERE masivos adóitase dicir que se vai empregar a voluntariedade e iso non é así", asegurou Romero, "o que acaba habendo son despedimentos disfrazados de saídas voluntarias". E iso para as que marchan. Para quen queda a situación, di o sindicato, non é moito mellor. Sobrecarga de traballo, recorte de salarios e das condicións laborais son algunhas das consecuencias dos anteriores procesos de concentración, xunto con contratos a tempo parcial ou abusos da mobilidade xeográfica, todos eles "favorecidos pola non derrogación das reformas laborais". Impacto social As consecuencias sociais tamén son salientábeis. Romero cita entre outras a marxinación da clientela menos rendíbel, o aumento dos territorios que quedan á marxe do servizo financeiro, a transformación das persoas aforradoras en investidoras pola colocación de produtos que cada vez máis complexos e de maior risco, ou a exclusión da pequena e mediana empresa ao financiamento para o seu desenvolvemento. |
NOS_13985 | A memoria económica do anteproxecto que o executivo de Rajoy está a preparar vai establecer un novo mecanismo de actualización, non dependente do IPC, que recortará o poder adquisitivo d@s pensionistas. | Tamén nas pensións, malia que o executivo de Mariano Rajoy gastou saliva en negalo. A famosa 'liña vermella' que todos os gobernos españois se comprometen a non sobrepasar, as pensións, tamén está na axenda de recortes. Segundo informa a cadea Ser, o goberno español posúe unha memoria económica do anteproyecto para as pensións. Nela, prevese que o axuste nas pensións suporá que nos vindeiros nove anos, antre 2014 e 2022, uns 33.000 millóns de euros serán "aforrados". O novo método de cálculo para actualizar as pensións suporá meter a tesoira ás mesmas Unha medida con impacto directo no poder adquisitivo d@s pensionistas, pois son cartos que terían que perceber nos vindeiros anos e non van a facelo. O executivo central conta con, a partir de 2014, actualizar as pensións cun novo mecanismo que non esté tan ligado o IPC (Índice de Prezos o Consumo). Que se elabore en función dunhas variábeis e criterios de 'saúde' do sistema que, segundo o bosquexo feito polo executivo, suporán meter a tesoira. Opción ideolóxica Desde o inicio da crise houbo unha intensificación do discurso de que o sistema público de pensións é 'insostíbel', incidindo en argumentos como o aumento da esperanza de vida. Mais, como lembraba para o Sermos Galiza nun A Fondo sobre as pensións, o catedrático de Economía Política Juan Torres, "o que en realidade pon en perigo as pensións públicas non é que vivamos máis anos, senón as políticas de austeridade que crean paro".Galiza é un dos territorios do Estado coas pensións máis baixas: por volta de 720 euros mensuais. |
PRAZA_19371 | O rastro que deixou o Agustín Fernández Paz é unha fonda pegada de amor, honestidade e xenerosidade. Confirmámolo unha vez máis na homenaxe que se lle tributou no Auditorio de Ferrol | "Porque entre dois pontos seja dito em bom rigor a distância mais curta é sempre o amor". Deolinda O rastro que deixou o Agustín Fernández Paz é unha fonda pegada de amor, honestidade e xenerosidade. Intuíamolo, sabíamolo, e o venres 17 de febreiro de 2017 confirmámolo unha vez máis na homenaxe que se lle tributou no Auditorio de Ferrol (da que informou Praza Pública), que se encheu para o esperado e merecido reencontro coa figura do mestre, o escritor e, sobre todo, o ser humano marabilloso. Ese día tivemos unha nova oportunidade para atoparnos co infrecuente e necesario "agustinismo", no acaído termo acuñado polo Jaureguizar, que o Manuel Bragado reinvindicou na revista Luzes, con motivo do falecemento, o 12 de xullo do ano pasado, do noso benquerido escritor. Daquela xa houbo ocasión de comprobar nas redes sociais o enorme alcance da súa figura e do cariño e admiración que provoca. Con eses antecedentes, o pasado venres, na primeira homenaxe que se lle rendeu despois da súa morte, xa puidemos convivir con máis naturalidade co feito de que, ademais das persoas que tivemos a sorte de poder estar presentes, houbera outras moitas que, ausentes do recinto, estiveron, porén, todo o tempo alí con nós, unidas polas palabras do Agustín e o afecto por el. A primeira, a Inma, a súa compañeira de vida e proxectos, de quen escoitamos tamén a súa voz nunha das gravacións que ambos fixeron para Radio Fene, na súa casa e cos seus propios medios, co obxectivo de normalizar o uso correcto do galego, nunha praxe precursora e aínda necesaria de entusiasmo e calidade para a lingua, en expresión actual da Goretti Sanmartín Rei. No acto de homenaxe de Ferrolterra para o mundo puidemos corroborar que o noso escritor é profeta no seu tempo, se se me permite a licenza, porque é recoñecido tanto pola súa propia xeración como polas máis novas e tamén pola súa especial sensibilidade coas mulleres e o seu lugar no mundo. No documental que se proxectou e nas palabras de quen alí falaron, incluído el propio, quedou a certeza do seu compromiso para recuperar un ensino libre, alegre e na nosa lingua, despois da longa noite de pedra, e a súa ilusión e empeño por acadar un bo fin para ese necesario proxecto colectivo, en que el tivo un papel destacado. Porque tamén se fixo evidente que, na súa vida e nos seus proxectos, estivo sempre moi ben acompañado e forma parte dunha xeración á que lle debemos termos recobrado a luz no ensino e o galego para a literatura, dos que puidemos gozar as xeracións posteriores grazas ao tempo, esforzo, entusiasmo, traballo e xenerosidade de persoas e mestras que, coma el, investiron a súa vida neste empeño. Ademais de volver ver e escoitar ao Agustín na pantalla, tamén a música interpretada no acto resultou moi emocionante á luz da súa lembranza. Deixounos demasiado pronto, como dixo o Miro Casabella, por iso cando soou "O meu país" o meu pensamento imaxinouno tecendo a súa historia, a nosa historia, cos fíos da vida e escribíndoa para nós, contándoa para o futuro de forma inesquecíbel. Porque os nosos soños son iguais correron as bágoas ao escoitar o fermoso poema "Irmaus", do Celso Emilio Ferreiro, interpretado polo Mini e o Mero. Porque o Agustín é un irmán, porque pertence á irmandade da boa xente, solidaria, xenerosa, comprometida, conciliadora e honesta, que se encontra e se une por riba das fronteiras, os muros e os valados, e que tan precisa é hoxe neste mundo inxusto e egoísta. Que o seu recordo está presente na xente nova recoñecérono os membros do grupo BellónMaceiras e as mozas de A banda da Loba, que aludiron tamén á alegría que tería suposto para el ver ese conxunto composto por cinco mulleres novas, coas que cantamos os versos da Celia Parra, nun exercicio de catarse colectiva na súa evocación, e confirmamos que "tres segundos de memoria bastarían para recordarte". Por todo iso hoxe sabemos que cumpriches o teu destino, escrito en O soño do Merlo Branco: es a Merla Vella que nos canta mentres tece os fíos da vida, cóntasnos historias fermosas, fasnos rir e emocionarnos, e descóbresnos todas as marabillas que a vida garda para nós. O único que queda na vida é o amor e por esa razón o teu rastro, Agustín, vivirá para sempre na nosa memoria. |
NOS_25271 | A Xunta insiste en que apelará ao Supremo no caso de que o Estado non acepte modificar a distribución dos fondos de emprego. | Unha vez cumprido un mes desde que a Xunta da Galiza enviou un requirimento ao Estado para solicitar un novo repartimento entre os territorios do fondo Covid, María Jesús Lourenzá, conselleira de Emprego e Igualdade, subliñou que de non obter resposta levarán a reclamación ao Tribunal Supremo. "Imos agardar uns días e dar unha marxe amplo para ver se responde con certo criterio", sinalou con respecto á medida do Goberno, aliñado coas demandas dos líderes territoriais do Partido Popular (PP), orientadas a cuestionar o uso dos fondos. Porén, tanto a conselleira como o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, sostiveron que a Administración galega non está a participar en ningún "boicot". Lourenzá incidiu en que a distribución proposta é "aleatoria" e "arbitraria". Non obstante, defendeu que a actuación da Xunta foi "da máxima lealdade" e que "non temos ningunha intención de facer ruído con isto". Por iso, reiterou que até que "transcorra unha marxe prudencial", ou ben un cambio de posición do Executivo estatal, encabezado por Pedro Sánchez (PSOE), non farán oficial o recurso no Supremo. O debate arredor deste repartimento circunscríbese ás partidas relacionadas co emprego, após a autorización por parte da Unión Europea do primeiro treito do financiamento, de 19.036 millóns de euros. Aposta do PP Ademais das mocións presentada nos concellos polo PP, a nivel territorial o recurso de Feixoo chegou tras anunciar Isabel Díaz Ayuso que a Comunidade de Madrid optaría por esa vía, á que despois se sumaron Alfonso Fernández Mañueco (Castela e León) e Juan Manuel Moreno (Andalucía). |
NOS_5127 | Aos 67 anos de idade. Esta cuarta feira sufriu un infarto cerebral. Formacións políticas españolas expresaron o seu pesar pola morte de Rubalcaba e anunciaron que suspendían os actos electorais da tarde desta sexta feira. | O ex vicepresidente español e ex secretario xeral do PSOE Alfredo Pérez Rubalcaba faleceu esta sexta feira nun hospital madrileño após sufrir esta pasada cuarta feira un ictus. A noticia foi dada ás portas do hospital polo seu ex xefe de gabinete.O último parte do hospital sobre o seu estado de saúde era desta quinta feira e apontaba a un desenlace tráxico: "Extrema gravidade", dicía. A capela instalarase no Congreso dos Deputados. Ademais, o PSOE instalará unha mesa de condolencias na súa sede na Rúa Ferraz de Madrid. Militante do PSOE desde 1974, a súa actividade no goberno español comezou en 1982 cando, no primeiro goberno de Felipe González, foi nomeado director do gabinete técnico da Secretaría de Estado de Universidades e Investigación. Nos anos a seguir foi ascendendo até ser en 1992 ministro de Educación e Ciencia, desde onde impulsou a Logse. Ao longo da súa carreira política, Rubalcaba foi deputado por Toledo, Madrid, Cantabria e Cádiz. Cando o PSOE volveu ao Goberno en 2004 con Rodríguez Zapatero, foi portavoz parlamentar até 2006 e en 2010 foi ministro de Vicepresidencia. Os líderes dos principais partidos españois expresaron o seu pesar polo falecemento e transmitiron á familia e o PSOE as súas condolencias. O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, cualificou Rubalcaba de "home con visión de Estado" e lamentou a súa perda. |
PRAZA_17080 | Tras case sete meses de intervención estatal, o Parlament, grazas á abstención da CUP, inviste a Quim Torra, que di arrepentirse de usar no pasado algunha "palabra inconveniente" | Catalunya ten president 144 días despois das eleccións do 21 de decembro e case sete meses despois da intervención do autogoberno por parte do Executivo central a través do artigo 155 da Constitución. O Parlament investiu este luns a Quim Torra en segunda votación. O resultado foi o esperado: 66 votos a favor de JxCat e ERC, 65 en contra de Ciudadanos, PSC, En Comú e PP, e catro abstencións da CUP. Maioría simple e suficiente para que Torra tome posesión esta semana no Palau da Generalitat, aínda que se prevé unha presidencia breve e tutelada desde Berlín. "O noso president é Puigdemont", encargouse de lembrar o candidato desde o atril. Nas súas primeiras palabras tras ser investido, agradeceu a Puigdemont a "xenerosidade" por designalo sucesor e insistiu na restitución do ex-president: "Investirémolo". Tras case sete meses de intervención estatal, o Parlament, grazas á abstención da CUP, inviste a Quim Torra, que di arrepentirse de usar no pasado algunha "palabra inconveniente" Torra insistiu nas tres "vías de acción republicana" –o 'Consell da República' en Bélxica e Alemaña, o Govern e o Parlament e o "proceso constituínte" impulsado pola sociedade civil– para a súa lexislatura. Do exposto por Torra, as institucións con sede en Barcelona non serían protagonistas dunha desobediencia aberta como na lexislatura anterior. Torra apostou por recuperar o "contido" das 16 leis sociais aprobadas no Parlament nas últimas lexislaturas e que foron suspendidas polo Tribunal Constitucional (TC). De volverse a aprobar, serían novamente suspendidas. O Govern deberá entón decidir se desobedece, algo que Torra non dixo. Tamén ten números para acabar recorrido ante o TC o comisionado para avaliar os efectos do 155 que Torra prometeu crear. O candidato non quixo ir máis lonxe e debuxou un programa de lexislatura autonómica. Prometeu despregar a Axencia Tributaria de Catalunya (ATC) sen pasar o marco legal vixente. No plano socioeconómico, apostou por despregar por completo a Renda Garantida de Cidadanía (RGC) aprobada a lexislatura anterior, crear un salario mínimo interprofesional de 1.100 euros e despregar o réxime sancionador da lei contra a homofobia. A CUP anuncia que pasa á oposición e o novo president pídelles estar "alerta" por se o seu Govern cae na "tentación autonomista" A falta de compromiso coa vía unilateral e a desobediencia enfadou á CUP, que con todo facilitou a investidura de Torra. Aquí acábase a colaboración dos asemblearios cos seus ex-socios independentistas. "Pasamos á oposición para construír políticas republicanas ao servizo das clases populares e manter o conflito democrático co Estado", anunciou o deputado da CUP Carles Riera. Torra mantivo a man tendida aos anticapitalistas e na súa réplica insistiu en que o seu proxecto é dos 70 deputados independentistas. Ademais, encargou á CUP estar "alerta" por se o seu Govern cae na "tentación autonomista". Os artigos e tuits de Torra Torra incluíu aos 7,5 millóns de cataláns dentro da "condición política de cataláns"; "si, é catalán todo aquel que vive e traballa en Catalunya" A xefa da oposición, Inés Arrimadas (Ciudadanos), e o líder do PSC, Miquel Iceta, volveron reprochar os artigos do candidato, que se desculpou no discurso que abriu a sesión. Arrimadas afeou a Torra escribir que "España necesita un psiquiatra". Iceta recuperou un artigo de Torra no que o futuro president comparaba o PSC con especies de animais en extinción e concluía: "Os cruces do PSC coa raza do socialismo español foron aumentando ata chegar a mudar o propio ADN dos autóctonos". Na súa réplica, Torra incluíu aos 7,5 millóns de cataláns dentro da "condición política de cataláns". "Si, é catalán todo aquel que vive e traballa en Catalunya. Si, somos un só pobo", engadiu Torra, que se declarou "herdeiro dun catalanismo transversal", reivindicando tanto a Lluís Companys como a Francesc Cambó. E como xa fixese o sábado, Torra mostrouse "encantado" de reunirse este mesmo martes na Moncloa con Mariano Rajoy. O candidato, no seu discurso inicial, desculpouse por terceira vez desde que foi designado candidato o pasado xoves. "Se utilicei algunha palabra inconveniente, arrepíntome e non volverá ocorrer", dixo, nunha alocución na que defendeu unha "república de todos e dereitos para todo o mundo" para frear as críticas ao seu nacionalismo excluínte. |
NOS_33961 | Detrás da Superliga non hai unhas cores, tampouco un escudo nin unha paixón. O que move Florentino Pérez e os seus compañeiros de viaxe é unha folla de cálculo que reflicte que a implantación dun novo modelo, máis próximo á concepción do deporte que teñen nos Estados Unidos, multiplicará os seus beneficios. | O fenómeno da irrupción da nova Superliga require dunha análise fría, desapaixonada e desde o punto de vista económico. Porque para Florentino Pérez, Agnelli e o resto dos promotores da iniciativa non se trata de fútbol, de deporte ou de espectáculo, senón única e exclusivamente de cartos. O proxecto está totalmente impregnado da influencia estadounidense, representada na condición de vicepresidente do magnate Joel Glazer -membro da familia propietaria do Manchester United- e da financiación do banco neoiorquino JP Morgan. Isto resulta determinante, pois historicamente, até o de agora, en Europa os clubs deportivos, e máis concretamente os de fútbol, actuaron de modo diferente a como operou o sector nos Estados Unidos de América (EUA), onde o principal obxectivo dos donos dos distintos conxuntos sempre foi a maximización do benefico. Economistas como Jones, Noll ou Schofield demostraron cientificamente xa nos anos 60, 70 e 80 do século pasado que a maximización dos beneficios é o motor que move os campionatos nacionais de baloncesto, hóckey ou béisbol nos EUA. Polo contrario, o pai da economía do deporte no continente europeo, Peter J. Sloane, quen en 1969 abriu a espita dos estudos dunha materia na que nos Estados Unidos sempre foron un paso por diante, apostila que a este lado do Atlántico "rexe un modelo de maximización da utilidade, no sentido en que os equipos antepoñen gañar o máximo número de partidos por enriba desa maximización dos beneficios", como demostran prácticas anti-económicas tan propias do fútbol como pagar aos xogadores máis que o valor da súa produtividade marxinal, ter cadros de futbolistas demasiado grandes ou cobrar prezos por debaixo do custo marxinal de proporcionar o produto. Cambio de paradigma O legado do propio Sloane resulta útil para interpretar o nacemento da Superliga como un cambio de paradigma neste modelo, o que non significa que copie o formato de competicións americanas como a NBA, pois as diferenzas son considerábeis. O que pretende desenvolver en Europa o presidente do Real Madrid é un cártel no que, tal e como explica Sloane, "un colectivo de firmas, de mutuo acordo, xa que se necesitan para producir contidos -neste caso, partidos-, comecen a operar como un único provedor de mercado". Detrás desta actuación, alén das escusas amparadas nas millonarias perdas a causa da pandemia, está, por suposto, a ameaza da competencia. Como xa sinalou o matemático Augustin Cournot en 1893, esta pode chegar a resultar "desestabilizadora", polo que a colusión e a subseguinte configuración dun cártel maniféstase inevitábel para proporcionar maior estabilidade e reducir a ameaza desa competencia, controlar con maior eficiencia o mercado laboral -Florentino Pérez tamén pretende rebaixar o gasto dos clubs nos salarios dos futbolistas, e Sergio Ramos parece que será usado como exemplo inaugural desta nova política- e, incluso, obter unhas ganancias máis propias dun escenario de monopolio. Se ben é certo que isto chocaría coa clásica "Paradoxa Louis-Schmeling", formulada por Walter Neale en 1964 en referencia aos dous combates que mantiveron o púxil norteamericano Joe Louis e o alemán Max Schemling nos anos 1936 e 38. Esta sinala que un negocio estándar busca sempre "alcanzar o monopolio, maximizando os beneficios", mais no deporte este panorama pode chegar a ser "desastroso", pois un campión -como era o caso de Joe Louis- necesita dunha ampla competencia da que xurdan rivais fortes para maximizar o interese nun futuro combate e xerar así o maior número de beneficios posíbeis. Non sería, entón, como pegarse un tiro no pé o feito de configurar unha competición fechada na súa práctica totalidade como é a Superliga? A resposta, e os promotores do proxecto sábeno ben, é non. Recentes investigacións, da que a máis destacada é a publicada por Humphreys e Zhou no ano 2015, refutan esta teoría indicando que "a igualdade competitiva", o equilibrio dos distintos equipos/contendentes deportivos, "non ten apenas impacto na demanda creada entre a afección nin na asistencia aos partidos nin no número de espectadores". Polo tanto, a nova realidade para o fútbol, que comezará "o antes posíbel", segundo reza o comunicado fundacional da Superliga, será unha na que o económico primará sobre o interese do espectador e dos clubs fóra do cártel, mais isto só avanza nunha tendencia na que o deporte rei leva inmerso, canto menos, durante as tres últimas décadas. |
Subsets and Splits
No community queries yet
The top public SQL queries from the community will appear here once available.