ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_2780
Os de Moncho Fernández visitan mañá a cancha do segundo clasificado, que amosou gran respecto polo conxunto compostelán.
O Obradoiro (11º na clasificación) regresa mañá á competición visitando a cancha do Iberostar Tenerife (2º) no partido correspondente á 13ª xornada da Liga ACB. Ao adestrador obradoirista, Moncho Fernández, non lle sorprende a clasificación do equipo canario, cun balance de dez vitorias e unha derrota, porque ten "un equipo enorme" e todos os seus xogadores están a render "a un nivel altísimo". "Son moi bos e xogan moi ben porque teñen moi claro os focos onde atacar e facer dano ao rival. Tacticamente teñen un despregue enorme, tanto defensivo como ofensivo, e contan con xogadores con experiencia, formación e calidade para afrontar todo o que lles pide Txus [Vidorreta, adestrador do Iberostar Tenerife]", comentou o preparador compostelán. Fernández non dubidou en identificar o rival como "un dos equipos máis en forma" da Liga Endesa, e advertiu que de xogaren "cómodos e relaxados" as opcións de vitoria dos seus diminuirán "de forma exponencial". "A dificultade estará en non dar facilidades a un equipo con tanta calidade e que xoga tan ben. Mais nós temos virtudes e argumentos para sermos quen de sacar o partido adiante", destacou. Neste sentido, subliñou que os seus xogadores terán que evitar "os erros non forzados" que tanto os penalizaron no encontro contra o San Pablo Burgos. "Temos que conseguir limitar esas perdas que despois che pasan factura no ofensivo e defensivo, non só desde un punto de vista do marcador, senón tamén anímico", advertiu. Fernández podería contar con Mike Daum, que realizou o primeiro adestramento colectivo co grupo na cuarta feira pola tarde e viaxou co equipo a Tenerife. Mentres, Kassius Robertson tivo unha sobrecarga no talón que lle impediu adestrar ao mesmo ritmo que os seus compañeiros e será dúbida até última hora. Respecto canario Malia o Iberostar partir como favorito, tamén desde o conxunto tinerfeño falan con cautela do enfrontamento de hoxe co Obradoiro, que virá "co coitelo entre os dentes" para buscar a vitoria, segundo declarou o xogador grancanario Fran Guerra nun vídeo enviado polo club. Guerra destacou o poderío interior do mellor xogador de setembro, Laurynas Birutis, a dirección de xogo de Chris Czerapowicz e de Albert Oliver e o rendemento "extraordinario" do antigo aurinegro Álex Suárez. Por iso, asegurou, "temos que saír concentrados e cun bo plan de partido; esperamos seguir coa xeira que temos porque a queremos alargar todo o posíbel".
NOS_50563
Podemos e as confluencias -entre elas En Marea- lanzaron esta segunda feira unha nova proposta sobre Catalunya, a constitución dunha asemblea de parlamentares que alumease un acordo entre as institucións catalás e as españolas. A perspectiva dese pacto é ilusoria, tendo en conta o encastelamento de Rajoy e a evolución dun PSOE que hoxe por hoxe xa non desbota apoiar a suspensión da autonomía catalá, isto é, a aplicación do artigo 155 da Constitución española.
Catalunya continúa a abalar o taboleiro político e as distintas forzas continúan a mover as súas pezas. Esta segunda feira foi a quenda de Unidos Podemos e as confluencias que, con grande solemnidade, lanzaron unha nova proposta. A constitución dunha Asemblea de Parlamentares (vagamente inspirada na apadriñada en 1917 por Francesc Cambó noutro momento crítico do réxime español) para no seu seo abrir unha nova dinámica de diálogo que eventualmente resulte nun referendo pactado en Catalunya. A proposta acabou de ser perfilada nunha reunión do goberno na sombra de Pablo Iglesias e delegacións das confluencias e IU, lideradas por Yolanda Díaz (En Marea), Xavier Domènech (Catalunya en Comú) e Alberto Garzón, respectivamente. Podemos xoga contra o calendario -apenas fican dúas semanas para o 1-O- e conscientes diso pisan o acelerador e chaman os demais partidos -a todos- a se reuniren en asemblea o próximo sábado. Que posibilidades existe neste momento dun acordo pactado entre a maioría institucional de Catalunya e o do Estado español? As mesmas que existían esta fin de semana. Isto é, nengunha. Non sólo polo encastelamento centralista do PP -que utiliza todos os aparatos do Estado contra o referendo nunha escalada represiva dunha intensidade sen precedentes na recente historia-, senón polos últimos movimentos do PSOE. Pedro Sánchez combina a cenoura dos cánticos á nación de nación, co inequívoco pau do apoio incondicional ás medidas represivas dispostas desde a Moncloa. Tanto que esta segunda feira o portavoz do partido, Óscar Puente, xa non dicía que non a respaldar o Goberno español nunha eventual activación do artigo 155 (isto é, a suspensión da autonomía). "Á luz das circunstancias tomaremos unha decisión", dixo, dando a entender que, embora non a consideren "desexábel", tampouco a desbotan inteiramente. O que si desbota o PSOE é integrar a asemblea proposta por Podemos: o partido socialista, dito por boca de Puente, non aceita "trocear" a soberanía nacional. Esta posición é claramente partillada por PP e por Cs, o que significa que ten o respaldo da esmagadora maioría do Congreso dos Deputados. Quen si fixo unha leitura positiva da iniciativa de Unidos Podemos e as confluencias é o PDeCat. A antiga Convergència non pode esquecer o seu ADN pactista e tampouco ve con maos ollos a comisión de revisión do modelo territorial proposta polo PSOE no Congreso, iniciativa que non convence en absoluto Esquerra Republicana, para a cal a pantalla do pacto xa está ultrapasada e o único referendo que contempla é, non o imposíbel de pactar con PP-PSOE-Cs-, senón o que xa está convocado para o 1 de outubro.
NOS_45055
Esquerda Unida elixiu máis un ano Mugardos para desenvolver o acto co que conmemora o 25 de Xullo e no que puxo o aceno "na importancia das alcaldías democráticas" e "na loita da esquerda".
A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, deslocouse a Mugardos para participar no acto convocado pola organización con motivo do 25 de Xullo para reivindicar "a importancia das alcaldías democráticas". Hai dous anos, lembrou, EU homenaxeou Juan Prieto Balsa, último alcalde republicano asasinado pola ditadura. "Hoxe volvemos reivindicar a constitución dos primeiros concellos democráticos". Empregou un fío vermello como metáfora entre o pasado e presente "transitando polos concellos republicanos", desde os que mellorar "as condicións de vida da clase traballadora galega". Apostou por centrar as loitas nese "conflito de clase". Eva Solla chamou a "desaloxar a dereita" e a conquistar un país que "non se constrúe sen soberanía alimentar, sen industria, sen futuro para mozas e mozos". "No Día de Galicia temos que lembrar a loita da esquerda para mudar as políticas de recortes e de destrución de emprego do bipartidismo", salientou. Tamén tomou a palabra o secretario de Organización de EU, Rubén Pérez, que insistiu en enxalzar "a importancia do traballo das compañeiras e compañeiros desde os concellos antes chamados democráticos, onde estaba representado, cando non existía Esquerda Unida, o Partido Comunista de Galicia, en 1979". "Se algo intentou facer a dereita foi frear as eleccións do 77, xa que non querían outra Fronte Popular. Pero estas eleccións foron importantes porque tiveron lugar despois dunha ditadura e en plena consolidación da democracia; e foi unha batalla moi dura", afirmou. A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, encargouse de presentar un acto de carácter festivo e político que decorreu baixo o lema "Un fío vermello para tecer alternativa de país" e que finalizou cun xantar.
NOS_7019
Un estudo confirma o descontento dos maiores coas medidas anti coronavirus.
Un estudo impulsado pola Cátedra Cruz Vermella da Universidade de Santiago de Compostela (USC) avalía a percepción subxectiva das persoas maiores sobre a súa calidade de vida. Faino a través dunha enquisa validada pola Organización Mundial da Saúde -WHOQOL-BREF- á que os coordinadores da investigación sumaron cuestións referidas á pandemia de coronavirus co obxectivo de afondar, ademais, no impacto da Covid-19 apreciado pola poboación galega maior de 65 anos. Na recta final de novembro, un total de 411 persoas de todo o territorio, usuarias de Cruz Vermella, participaron no estudo. As persoas maiores da Galiza demostraron unha importante capacidade de resistencia, reacción e adaptación "O cuestionario que lles trasladamos consta de 26 preguntas, dúas xerais sobre a calidade de vida e a satisfacción co seu estado da saúde e 24 para aproximar a calidade de vida a catro dimensións específicas: a física, a psicolóxica, a das relacións sociais e a do ambiente", explica a Nós Diario o director da Cátedra e profesor de Economía Aplicada da USC, Fidel Martínez Roget. Os resultados preliminares avanzan que as persoas maiores da Galiza "demostraron unha importante capacidade de resistencia, reacción e adaptación". Resiliencia Nun contexto de grandes dificultades, aclara Martínez Roget, "case a metade das persoas valoran como moi boa ou bastante boa a súa calidade de vida. Só 4% a cualifica como moi mala". Os maiores de 85 anos teñen unha enorme capacidade de resiliencia e valoran en maior medida a conquista da lonxevidade Os investigadores non constatan diferenzas importantes entre homes e mulleres mais advirten un aumento "significativo" das percepcións positivas entre a poboación de máis idade. "Observamos que as persoas máis anciás, de 85 anos ou máis, teñen unha enorme capacidade de resiliencia, froito da súa experiencia, e valoran en maior medida a conquista da lonxevidade". O impacto da Covid-19 As avaliacións máis negativas están relacionadas coa pandemia. "As oportunidades de ocio, os recursos económicos e os servizos de transporte son os capítulos menos valorados", advirte o profesor da USC, ademais das medidas específicas aprobadas durante a pandemia para as persoas maiores e dependentes. "Están moi descontentas tanto coas medidas que dispuxeron para elas durante o confinamento como coa imaxe que delas se proxectou tanto nos medios de comunicación como nas redes sociais". Novas políticas de atención Desde Cruz Vermella, Pedro Jiménez, responsábel de Relacións Institucionais e coordinador da Cátedra, salienta a pertinencia desta enquisa nun momento de especial preocupación pola calidade de vida dos maiores, "un dos colectivos máis afectados pola Covid", advirte. A Cátedra busca investigar e desenvolver contidos valiosos para mellorar o coñecemento sobre as persoas maiores contando con elas "A Cátedra busca investigar e desenvolver contidos valiosos para mellorar o coñecemento sobre as persoas maiores contando con elas, para afinar as nosas liñas de traballo e deseñar políticas de atención melloradas", salienta. A primeiros de 2021, USC e Cruz Vermella presentarán os resultados ampliados da súa enquisa. "Entón, disporemos de respostas moi útiles para compartir e favorecer non só a faceta persoal destas persoas, mais tamén a súa esfera familiar e comunitaria", incide Jiménez.
PRAZA_6510
A mocidade pasou de representar unha cuarta parte da poboación galega con traballo a ser pouco máis do 10%. A xente nova con traballo descendeu en case un 50% dende o ano 2000
O desemprego é un dos síntomas máis evidentes e dramáticos da crise económica e ten entre a mocidade un dos sectores da poboación máis afectados. Aínda que cunhas cifras inferiores ás doutros territorios do Estado, a falta de traballo entre a xente nova en Galicia provoca que dende comezos de 2013 a taxa de paro xuvenil sexa superior á de ocupación. Aínda que estes datos, con máis mocidade sen traballar que aquela que quere facelo e non pode, xa resultan elocuentes de seu, unha análise en perspectiva da poboación xuvenil ocupada amosa, se cadra máis ás claras, o xeito en que as persoas menores de 30 anos foron varridas do mercado laboral. O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de recompilar datos de ocupación xuvenil que van alén da crise económica e que se remontan ao ano 2000, cando había case 240.000 mozos e mozas de entre 16 e 30 traballando no país, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA), estudo de referencia a nivel europeo para medir o mercado laboral. A finais de 2013, despois dos anos considerados de bonanza económica e no que dende os gobernos se presenta como inicio da recuperación económica, esta cifra caera en picado, con pouco máis de 126.300 persoas novas traballando en Galicia. A poboación xuvenil con traballo descendeu en case un 50% dende o ano 2000 Se ben é certo que nestes anos a poboación xuvenil galega descendeu por diversas causas -esencialmente, a baixa natalidade e a emigración- non o é menos que este non é o único motivo polo que hai menos xente nova con traballo. Así, mentres que a poboación xuvenil ocupada descendeu en máis dun 47% neste período a poboación total de entre 16 e 29 anos baixou en algo menos do 37%, toda vez que pasou de 580.000 persoas no ano 2000 a unhas 370.000 na actualidade. O retrato do estrago laboral entre a mocidade complétase ao comprobar o seu peso relativo no conxunto da poboación activa galega, un continxente de persoas que apenas variou en 5.000 persoas entre o inicio e o final do período 2000-2013. No inicio da década pasada os mozos e mozas ocupados eran case a cuarta parte do total da poboación que traballaba, un 23,64%, mentres que no remate de 2013 eran pouco máis de un de cada dez, o 12,52%. No ano 2000 a mocidade era case a cuarta parte da poboación ocupada galega e agora é pouco máis do 10% Así, mentres que no ano 2000 había unhas 20.000 persoas de entre 16 e 19 anos con traballo agora non chegan ás 3.000. No grupo de idade de entre 20 e 24 anos, que adoita incluír as persoas que veñen de rematar unha carreira universitaria, a mocidade ocupada pasou de 85.000 a 34.000 persoas e no de 25 a 29 anos a caída foi dende 134.000 persoas traballando no ano 2000 a algo menos de 90.000 na actualidade. A mocidade pasa a ser practicamente residual no conxunto da poboación activa e, pola súa badna, as traballadoras e traballadores maiores de 35 anos gañan peso. Así, na actualidade o grupo de idade máis numeroso é o de persoas dentre 35 e 39 anos -no 2000 érano as de entre 30 e 34-. Desa franxa en diante todos os grupos de idade gañaron peso no mercado laboral agás os maiores de 65 anos.
NOS_40573
A localidade alaricana será a 'vila olímpica' desta terceira edición dun encontro que decorrerá o 28 e 29 de Setembro. A cita está aberta a todos os centros sociais, asociacións populares e organizacións sociais da Galiza que desexen participar
O importante aquí non é gañar, tampouco participar. É tomar parte e convivir. Son as Olimpiadas Populares Galegas, que nesta a súa terceira edición chegan a Allariz tras pasar por Pontevea (2012) e Ribadavia (2011). A localidade ourensá será, pois, este ano, a 'Vila Olímpica' na que @ se desenvolverá este encontro deportivo nacional galego. A cita é o 28 e 29 de setembro, mais xa está aberto o prazo de inscrición (até o 10 de setembro). As OPG están dirixidas a "todos os centros sociais, asociacións populares e organizacións sociais da Galiza que desexen participar". Desde a organización lémbrase que "para poder participar nas Olimpiadas nom é precisso que umha associaçom apresente atletas e/ou equipas a todas as provas. Umha mesma atleta nom poderá competir na mesma ediçom das Olimpíadas representando a duas associaçons diferentes". Que probas hai nas OPG? Un total de 13 probas conforman as posibilidades de participar nestas Olimpiadas. Desde metros lisos (100 e 5.000 metros) até lanzamento de sacho, pasando polo tiro de corda ou salto de lonxitude.Tamén haberá probas de billarda (coñecida tamén como estornela), loita, voleibol, traitlo por relevos, tiro con fisga...
NOS_31224
As protestas do persoal intensificáronse o pasado mes por mor da saturación dos centros de saúde e hospitais da zona.
A chegada masiva de turistas unha vez principiado o verán, sumada á falta de efectivos nos centros de saúde por mor das vacantes por vacacións que non cubriu o Servizo Galego de Saúde (Sergas), propiciou a saturación do servizo de Atención Primaria en boa parte do país, cunha especial afección á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. As protestas do persoal médico intensificáronse nas últimas semanas ante o que consideraban unha situación "insostíbel" tanto nos ambulatorios como nas Urxencias dos hospitais, onde o pasado mes era frecuente achar padiolas amoreadas nos corredores e pacientes pendentes de ingreso pola grande afluencia de persoas que acudían a este servizo ao non ser atendidas nos centros de saúde. Os sindicatos CESM, Prosagap, Omega, TSP e Co-Bas ameazaron coa folga o pasado 22 de xullo se o Goberno galego non os recibía con carácter de urxencia para abordar este "caos" e, entre outras medidas, destituír a xerencia da área, comandada por José Ramón Gómez, quen negou as reivindicacións do persoal médico alegando que se trataba de circunstancias puntuais e que nas Urxencias se estaban a atender as patoloxías "en tempo e forma axeitadas, en función da súa gravidade". Sindicatos denuncian que as Urxencias de Montecelo seguen saturadas: "Hai padiolas nos corredores e zonas de paso" Esta terza feira as forzas sindicais reuníronse co xerente do Sergas, José Flores, para trasladar as súas demandas, e foi precisamente este alto cargo da Consellaría de Sanidade o designado para afrontar os problemas da área de Pontevedra-O Salnés. Esta sexta feira o conselleiro, Julio García Comesaña, desbotou referirse ao conflito como "crise sanitaria", se ben recoñeceu que a situación actual é "especialmente crítica". "Os cambios non responden a ningunha crise sanitaria. Hai un proxecto moi importante en Pontevedra, o do Hospital de Montecelo, que agora Flores liderará e que Gómez —o ex xerente da área—impulsou", defendeu. Julio García Comesaña volve culpar o Goberno estatal da falta de profesionais sanitarios O máximo responsábel da sanidade galega aproveitou para culpar á "falta de especialistas" do que está a acontecer na Atención Primaria da zona. "Afecta todo o sistema sanitario, pero aquí nótase máis", afirmou, ao tempo que asegurou que a Xunta destina "todos os medios" que lle permiten as súas competencias a "paliar" esas eivas na contratación. "Se alguén é responsábel é quen desde os últimos catro anos non fixo nada por frear esta falta de médicos. O responsábel último é o Ministerio de Sanidade", apuntou. Esta mesma quinta feira, após anunciar o relevo, García Comesaña mantivo un encontro con alcaldes da área sanitaria para informar das medidas adoptadas a fin de "reverter" esta situación que, ao seu entender, non é unha "crise". Os sindicatos que forzaron o cambio de rumbo da xerencia, pola súa parte, celebraron o cesamento de Gómez e a súa remuda por Flores: "Entendemos así que a nefasta situación da área foi recoñecida e asumida por fin polos máximos responsábeis do Sergas despois de tantos meses de reivindicacións". Porén, incidiron en que esta mudanza debe ir acompañada dun "plan funcional de emerxencia" que inclúa os "recursos materiais, económicos e, sobre todo, humanos que sexan suficientes para recuperar o cadro de persoal estábel e necesario para garantir unha mellora notábel tanto na Atención Primaria como na hospitalaria". Quen é a nova xerente do Sergas? Polémica cos MIR nos centros de saúde Por outra parte, o conselleiro saíu ao paso das críticas polo anuncio de que as e os residentes MIR de último ano fagan gardas nos puntos de atención continuada (PAC). "Non estarán sós en ningún momento", afirmou. Porén, acto seguido deixou a porta aberta a que isto aconteza: "Se o profesional ten que facer unha saída, o residente poderá acompañalo ou quedar no centro, como el decida". Os colexios de Medicina rexeitan a pretensión da Xunta de que os MIR poidan realizar as gardas nos PAC
PRAZA_19659
A proposición non de lei presentada polo PSdeG-PSOE na Comisión de Educación e Cultura contou co apoio de todos os grupos e pídelle ao Goberno galego que achegue un local para a entidade antes de que remate o ano 2017
O Parlamento galego aprobou este venres por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo PSdeG-PSOE na Comisión de Educación e Cultura que insta a Xunta a "dotar ao Ateneo de Ourense, antes de que remate o ano 2017, dun espazo de titularidade pública axeitado e coas condicións requiridas para que esta entidade continúe coa súa actividade sen ánimo de lucro". O futuro da asociación cultural, con case medio século de historia, está no aire tralo seu obrigado traslado do local que ocupa na actualidade, o que espertou nas últimas semanas un amplo movemento de reivindicación na cidade. A proposta, presentada pola deputada Noela Blanco, destacaba que o Ateneo "nunha época na que o debilitamento da ditadura comezaba a ser patente, fomentou as actividades de oposición ao franquismo favorecendo a confluencia de diversos movementos de protesta, sendo dende os seus inicios un verdadeiro reduto para debater en liberdade, e un referente de tolerancia e diversidade". "Este espazo aberto á sociedade aglutinou a persoeiros do mundo da cultura e da sociedade ourensán tan insignes coma os escritores Vicente Risco e Blanco Amor, o doutor Cabaleiro Goás, o pintor Xaime Quesada, ou aos políticos Celso Montero e Peña-Rey", engadía, explicando que "coa chegada da democracia o Ateneo mantivo a súa acción, formando parte da súa programación actividades culturais, roldas de prensa de plataformas cidadás, actos de solidariedade, debates políticos, ou actividades varias como campionatos de xadrez". Esta semana o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, ofreceu a súa "total colaboración" á plataforma ProAteneo, amosando a súa disposición a mediar ante a Xunta e tamén a ceder espazo no centro cultural Marcos Valcárcel, onde poderían seguir desenvolvendo as súas actividades. "Non entenderíamos unha cidade e unha provincia de Ourense sen un referente social e cultural como é o Ateneo", dixo Baltar.
NOS_40077
Con motivo do Día das Letras Galegas, Sermos Galiza edita un número especial sobre Xela Arias, a poeta homenaxeada este ano. O monográfico 'Xela Arias: voz galega de seu', de 48 páxinas a cor, nunha coidada edición, publícase este sábado, día 15 de maio, canda o Nós Diario.
"Vigo, nos 80 (neboeira salgada// a electricidade electrizado paxariño// que te oio musicado e vals, di a poeta), era unha pota que non deixaba de ferver. Nos garitos varios e nas casas, construíamos o presente que precisabamos". Así comeza a escritora Marta Dacosta o seu retrato da cidade onde Xela Arias (Lugo, 1962-Vigo, 2004), a homenaxeada co Día das Letras Galegas neste 2021, desenvolvería a súa obra e maior parte da súa vida. Nós Diario, por medio do semanario Sermos Galiza explora as distintas facetas da vida de Xela Arias cun especial de 48 páxinas que recolle distintas visións dunha personalidade tan poliédrica como fascinante. Xela Arias escribiu a súa obra desde un compromiso insubornábel coa liberdade que se quixo dar a si mesma, coa lingua galega, e coas inquedanzas e teimas que toda unha xeración compartía nos comezos dunha época de enormes cambios para o país. A súa figura non deixou de medrar desde a súa desaparición, e mais precísase, con certeza, seguir estudando unha obra e unha figura que ofrece moitas das claves para coñecer a historia da creación literaria e da evolución social deste país. Os artigos En "Da nosa cidade", Dacosta debuxa o marco no que Xela Arias desenvolveu a súa obra: unha cidade, a de Vigo, na que confluían as protestas obreiras contra a reconversión naval e a música da movida, as ombreiras posmodernas e o punk dunha cultura underground que medraba a sombra do scalextric. A poesía de Xela Arias recollía todas esas suxestións da cidade para compoñer unha obra poética que rompeu cos moldes da lírica do seu tempo. Manuel Bragado, profesor e editor de longa traxectoria, en "Xela Arias, editora pioneira", lembra como aqueles foron tempos tamén nos que a edición galega sufriría unha transformación espectacular, e como a poeta participou no estabelecemento dun estándar para o galego culto e para a propia industria editorial desde o seu traballo como editora en Edicións Xerais, una editora "que, aberto o recoñecemento institucional do galego no proceso preautonómico pretendía dar resposta ás demandas de materiais didácticos para o ensino da lingua galega e para a súa utilización como lingua vehicular como tamén, en palabras do seu primeiro director, a ofrecer un catálogo onde 'todo galego tivese a posibilidade de ser culto na súa propia lingua'", explica Bragado. Manuel Xestoso elabora un percorrido pola obra e a vida da poeta, tratando de discernir cales foron as claves que uniron ambas e que deron como resultado un dos corpus poéticos máis arriscados da literatura galega do final de século. María Xesús Nogueira, editora da obra poética completa de Xela Arias, aborda en "Un pasquín crítico, avisador e narcotizante" as dimensións crítica, social e política dun corpus literario caracterizado pola innovación formal e temática, polo diálogo con outras disciplinas artísticas e por un compromiso co feminino que talvez non se entendeu no seu tempo. "O suxeito, que se sitúa "por elección" nunha marxe, exponse a unha intemperie desde onde describe unha situación de crise e formula unha serie de reflexións derivadas desta", di Nogueira explicando algunhas das chaves da poética de Arias. Das relacións interdisciplinarias con outras artes ocúpase o crítico de arte Xosé M. Buxán Bran, que estuda a produción e recepción de Tigres coma cabalos como un proxecto pioneiro na Galiza e un exemplo da visión adiantada ao seu tempo de Xela Arias: unha produción de carácter emancipador que leveda no clima cultural menos oficializado da década de 1980. O crítico literario de Sermos Galiza, Mario Regueira, céntrase na faceta de tradutora de Xela Arias, mostrando como o seu labor nese campo tivo un valor estratéxico e simbólico nun contexto en que a representación da lingua e da cultura galega adquirían un papel fundamental na sociedade, nun tempo en que "en ocasións con pouca consciencia das súas propias limitacións e tamén das súas potencialidades". Montse Dopico entrevista a Darío Gil Arias, fillo de Xela Arias e protagonista dun dos seus libros máis audaces: Darío a diario. Desde a visión do neno que foi, comparte unha faceta máis íntima da autora, repasando a súa vida cotiá, lembrando o seu compromiso coa súa escrita e, sobre todo, destacando a súa coherencia no seu anceio de autonomía e na súa condena das inxustizas. Marga do Val, pola súa parte, debuxa un perfil da autora achegado á recepción da súa obra, aos impeitizos que tivo que superar. Do Val acode á súa memoria persoal para repasar as marcas que deixou unha poeta que se situou voluntariamente á marxe do canon para expresar o que na súa época non se mencionaba e que, anos despois, se desvelaría como un discurso imprescindíbel. Para rematar, o poeta Xose María Cáccamo lembra algúns encontros persoais con Xela Arias en situacións ben especiais: no Festival de Poesía do Condado, na organización dos actos da Burla Negra en Vigo e nas mobilizacións contra a guerra do Iraq, tamén na cidade olívica. "Lembro varias chamadas telefónicas de Xela, preocupada pola responsabilidade que a ela e a min nos correspondera, a da selección e convocatoria dos poetas da cidade e a da organización e presentación do acto, que, finalmente, atinxiu un éxito rotundo de participación e comunicación", rememora o poeta. O especial venderase conxuntamente con Nós Diario o vindeiro sábado 15 de maio. As 48 páxinas ao prezo de sempre do semanario. Nos quiosques e puntos de venda habituais e na loxa. Se non es subscritora ou subscritor, non dubides en adherirte.
PRAZA_8802
Todos os sectores da comunidade educativa, en todos os niveis do ensino e en toda España. Este xoves unha folga xeral amosará o "consenso histórico" en contra da LOMCE, que o venres será aprobada polo Goberno e iniciará o seu percorrido parlamentario.
Se non hai sorpresas de última hora o Consello de Ministros aprobará este venres o anteproxecto da LOMCE, a polémica reforma educativa impulsada por José Ignacio Wert e que iniciará deste xeito o seu trámite parlamentario. O día anterior terá lugar a folga de ensino máis importante nos últimos anos, na que por vez primeira se mobilizarán todos os sectores da comunidade educativa (preofesorado, alumnado, pais e nais), en todos os niveis do ensino e en toda España. En Galicia a convocatoria tamén é xeral, a pesar de ter sido impulsada por separado polas dúas plataformas que agrupan a comunidade escolar. Non haberá unidade nas manifestacións, pois FETE-UGT, CCOO, STEG, Sindicato de Estudantes e Confapa (Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos) convócanas a partir das 19.30 en Vigo, Ourense, Lugo, Ourense e A Coruña, onde se desenvolverá a marcha central. E a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (nucleada en torno a CIG, Liga e Comités) celebrará as súas pola mañá, a partir das 11.30, nas sete cidade galegas e mais en Burela e Vilagarcía. "O ministro Wert chamounos antisistema aos que protestabamos contra a súa lei. Se presenta esta lei no Consello de Ministros o antisistema é el" Sexa como for, o consenso contra a lei Wert é total, "histórico", como salienta Lois Uxío Taboada, secretario de Confapa. "Todos os grupos políticos no Congreso manifestaron a súa oposición, e todos os sectores da comunidade educativa agás a patronal dos centros privados e a Conferencia Episcopal. Mesmo hai deputados do PP que non están conformes e as asociacións confesionais de pais e nais tamén teñen motivos de discrepancia, pois perden o seu dereito constitucional á participación na xestión nos centros de ensino. Os consellos escolares pasan a ser figuras decorativas", salienta. E conclúe: "O ministro Wert chamounos antisistema aos que protestabamos contra a súa lei. Se presenta esta lei no Consello de Ministros o antisistema é el". Refírese tamén ao ditame feito público polo Consello de Estado, que para o STEG "supón un novo golpe para a proposta contrarreforma educativa da que é responsable o Ministro Wert" e "valida as críticas de que a LOMCE é unha proposta de partido, ideolóxica e non negociada nin consensuada". Este texto propón que sexan as Consellerías de Educación dos distintos territorios as que determinen a porcentaxe que debe darse no uso das dúas linguas no ensino. De igual xeito, reclama unha materia relativa á formación ético-cívica, sinalando á Educación para a Cidadanía, tanto en Primaria como en Secundaria, eliminada polo goberno. E con respecto a segregación en razón do sexo, o Consello recoñece que o sistema de coeducación ou educación mixta constituíu "un avance no tratamento da igualdade de xénero que é constitutivo da democracia". "O PP obtivo maioría absoluta pero as sondaxes afirman que xa non a ten. Pode que esta lei se aprobe e teña apenas un percorrido dun ano" En definitiva, o Consello de Estado "pide que se acade un acordo coas forzas políticas e sociais para dar estabilidade ao sistema xa que este anteproxecto conseguiu o rexeitamento de todas as organizacións representativas da comunidade educativa do ensino público, así como da maioría de partidos con representación parlamentaria, pois non houbo nin negociación nin acordo", segundo o STEG. Lois Uxío Taboada destaca a "profunda división" xerada por "unha lei de educación puramente ideolóxica" e lembra que "o PP obtivo maioría absoluta pero as sondaxes afirman que xa non a ten. Pode que esta lei se aprobe e teña apenas un percorrido dun ano. Obtivemos o compromiso das principais forzas políticas de que derrogarían esta norma ao dia seguinte das eleccións". "Levamos sete leis de educación nos últimos 35 anos. Que leve o tempo que leve: pero consenso. Pactos xa non. En Finlandia tardouse dez anos en chegar a un consenso sobre a lei do ensino" Taboada pide consenso: "Pedimos a retirada do documento, a dimisión de Wert e que un novo equipo ministerial inicie o proceso para debater entre todos unha nova lei de consenso. Levamos sete leis de educación nos últimos 35 anos. Que leve o tempo que leve: pero consenso. Pactos xa non. En Finlandia tardouse dez anos en chegar a un consenso sobre a lei do ensino. Se queremos ser un país serio temos que facer unha Lei de Educación para o ano 2050, non para o 1950". E lembra que a Confapa presentou un documento "con 40 propostas para mellorar a LOE" e que vai participar no debate da lei no Congreso a través da Ceapa: "Imos comparecer na Comisión de Educacion, que será a primeira que trate o documento". "Temos confianza de que a folga vai ter un seguimento masivo. Porque non só nos mobilizamos contra esta lei senón tamén contra os recortes inmisericordes que leva a cabo non só o Goberno central senón especialmente a Xunta" "Temos confianza de que a folga vai ter un seguimento masivo. Porque non só nos mobilizamos contra esta lei senón tamén contra os recortes inmisericordes que leva a cabo non só o Goberno central senón especialmente a Xunta. Vai ser un éxito e xa é un éxito a propia convocatoria. Queremos que cando se reúna o Consello de Ministros o venres teña diante as portadas dos xornais dando conta da folga e as manifestacións históricas", afirma Lois Uxío Taboada. Unha mobilización na que a participación das nais e pais, por segunda vez na historia despois da folga que convocaron o pasado outono, será moi importante. "Os pais e nais facemos un esforzo moi importante con esta folga polas dificultades que existen para a conciliación. Non pretendemos que os pais e nais cheguen ao heroísmo o dia 9, pero a participación vai ser masiva". Amplos apoios para a folga A Mesa Galega de Educación no Rural (composta por CIG Ensino, CCOO Ensino, STEG, FETE-UGT, AS-PG, Nova Escola Galega e Preescolar na Casa) apoia a folga convocada no ensino público para o día 9 de maio en contra da LOMCE, "unha lei que privatiza, desgaleguiza e atenta gravemente contra a calidade do ensino público". A Mesa Galega de Educación no Rural considera que a proposta "é un atentado contra os dereitos e a dignidade de todas e todos porque atenta contra a igualdade de oportunidades e contra a cohesión social, porque convirte o ensino nunha mercadoría, porque pretende facer recaer sobre a sociedade galega o custe económico da implantación do novo sistema". A Plataforma Cidadá Queremos Galego acordou no seu último plenario apoiar a folga ao considerar que o anteproxecto da LOMCE "recolle o peor da política centralista e españolizadora que o PP está a levar a cabo desde Madrid e tamén aquí na Galiza, introducindo no ensino unha liña que afondará nas diferenzas no acceso á educación e que relegará a nosa lingua a un plano de maior inferioridade con respecto ao castelán". Nova Escola Galega entende que esta lei "pretende mudar con carácter estrutural as finalidades do sistema educativo, afastándoas dos parámetros de calidade e equidade social que deben identificar a institución escolar nas sociedades contemporáneas" Pola súa banda, Nova Escola Galega entende que esta lei "pretende mudar con carácter estrutural as finalidades do sistema educativo, afastándoas dos parámetros de calidade e equidade social que deben identificar a institución escolar nas sociedades contemporáneas" e que "a súa orientación, fortemente mercantilista e privatizadora, atenta gravemente contra o dereito á educación, pretendendo convertela nun ben privado, nunha mercadoría máis ao servizo de quen poida pagala". NEG considera que "a regresión ideolóxica que inspiran moitas das medidas contidas neste anteproxecto representan unha concesión sen precedentes ás esixencias da Igrexa e da patronal de centros privados" e que a LOMCE proxecta "un modelo educativo que se corresponde co modelo de sociedade desigual, confesional e profundamente inxusta da dereita conservadora, e que se insire nunha concepción uniformizadora e recentralizadora do estado, ao servizo do rancio imaxinario que suxire a Marca España". Tamén Estudantes sen Futuro secunda a folga e destaca que "dicimoslle non á nova lei de educación por antidemocrática, por basear o ensino na mera superación de reválidas, porque pon o ensino público a disposición das grandes empresas" Tamén Estudantes sen Futuro secunda a folga e destaca que "dicimoslle non á nova lei de educación por antidemocrática, por basear o ensino na mera superación de reválidas, porque pon o ensino público a disposición das grandes empresas, porque favorece descaradamente ós colexios relixiosos concertados, porque condena ás alumnas a un futuro de precariedade e miseria, porque promove os valores da competitividade e o individualismo e porque non respecta as particularidades propias das diferentes nacións que forman parte do Estado español". Manifestacións convocadas A Coruña. 19.30. Praza da Palloza Lugo. 19.30. Ronda da Muralla Ourense. 19.30. Subdelegación do Goberno Ferrol. 19.30. Praza de España Vigo. 19.30. Vía Norte Ourense. 11.30. Xefatura territorial Vigo. 11.30. Praza dos Cabalos Ferrol. 11.30. Praza de España/Praza de Armas Vilagarcía. 11.30. Praza de Galicia Pontevedra. 11.30. Praza da Ferrería A Coruña. 11.30. Praza de Vigo Lugo. 11.30. Praza da Horta do Seminario Burela. 11.30. Praza da Mariña Compostela. 11.30. Praza do Toural
NOS_53570
Analizamos con Ramom L. Suevos, un dos economistas de maior relevo no noso país e cunha dilata traxectoria docente na Universidade de Santiago de Compostela, o que deron de si os 25 anos de inserción na UE. Precisamente, nos 25 anos á sombra de Maastricht centramos o A Fondo que acompaña o Sermos 233, á venda na loxa e nos quiosques. Eis un extracto da entrevista.
Foi un mal negocio para Galiza estar na UE? Quen se beneficiou del? Beneficiouse a clase dominante, as oligarquías financeiras, grandes empresas multinacionais. A Unión Europea levounos en primeiro lugar á desunión, porque houbo e hai unha división crecente entre o norte e o sur dentro de Europa. Na Galiza, o noso sector primario desapareceu, os que somos de Ferrol xa non lembramos como era aquilo con 90 mil habitantes, hai un desemprego moi grande a pesar da emigración e dos contratos precarios, hai pobreza como nunca e a desigualdade creceu moitísimo. Estaba cantado que na medida en Galiza non puido negociar nada, non había opción de ser unha Irlanda. Reduciuse o gasto sanitario, recortouse en ensino, en dependencia. En democracia tamén se retrocede. Que ten de democrático o BCE? Como se nomea a Comisión Europea? Non se fan referendos sobre a saída por se sae mal [para a UE] e onde se fan obrigan a repetilos até que saian ben, como sucedeu na Irlanda. A Europa de hoxe é unha Europa desunida, dividida, sen cohesión, que perdeu a dimensión social, que no plano democrático non é o que foi, e na que Galiza está de apéndice. Como nos vai ir? Pois, mal. Diante desta disxuntiva, cal é a saída? Reformar a UE ou abandonala? Véñenme a cabeza tres premios Nobel que no seu momento defenderon que a UE non era unha área económica óptima: Mundell, Krugman e Stiglitz. Este último acaba de publicar un libro sobre o euro e defende que hai que optar ou por máis Europa ou por menos, mais que así non vai. Ou sexa, ou facemos un Estado europeo ou hai que saír de aí. O de máis Europa eu non o vexo posíbel politicamente e, ademais, non o vexo desexábel. Creo que non hai que ir cara a grandes espazos políticos e económicos, creo que hai que ir cara ás nacións e facer unha economía internacional mais non unha economía globalizada na que as nacións actúan e se interrelacionan coas demais. A UE é unha realidade moi diversa, con 500 millóns de habitantes, un grande número de linguas, de institucións económicas diferentes, con diversos graos de desenvolvemento, problemas xeoestratéxicos. Non se pode gobernar todo iso de maneira conxunta. Este clube [a UE] non funciona. Do clube do euro podemos e debemos saír. Agora, como saír? Depende de se se fai polas boas ou non. Hai que distinguir entre a transición, obstaculizada ou non, e a situación despois de se estabilizar. Por exemplo, unha Catalunya independente [fóra da UE e do euro] acabaría sendo unha Dinamarca. Non hai na economía contemporánea ningún factor que impida que as nacións relativamente pequenas como a nosa non funcionen ben, en Europa temos algúns exemplos. [Podes ler a entrevista íntegra no A Fondo que acompaña o Sermos Galiza 233, á venda na loxa online e nos quiosques]
NOS_45606
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística denuncia na IV Asemblea Xeral da ELEN que "estamos nun proceso de estranxeirización do galego no seu propio país".
A Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN polas súas siglas en inglés) engloba un centenar de entidades representativas de 42 comunidades lingüísticas, de idiomas minorizados. Realizou esta fin de semana a súa IV Asemblea Xeral en Barcelona e contou co apoio ao máis alto nível das institucións catalás: foron obxecto dunha recepción esta sexta feira por parte do presidente da Generalitat, Carles Puigdemont, e a cimeira foi inaugurada este sábado pola presidenta do Parlament, Carme Forcarell. No seu discurso, Forcarell defendeu que "a pluralidade lingüística é unha riqueza que hai que manter, protexer e pór en valor". Na Asemblea Xeral elixiuse novo comité de dirección. Encabézano como presidente Ferran Suay, da Acció Cultural do País Valenciá, e como vicepresidente Marcos Maceira, titular á vez da Mesa pola Normalización Lingüística. Pola MNL tamén estivo presente na cimeira Paulo Filgueiras, secretario de Relacións Institucionais. Marcos Maceira puxo o acento sobre a lexislación regresiva en materia lingüística posta en andamento polo PP desde que recuperou o poder na Xunta en 2009 A asemblea tivo como cenario o salón Berlín do Camp Nou, o estadio dun Futbol Club Barcelona que ao longo da súa historia -como puxo en destaque na súa intervención o seu directivo Jordi Moix - se ten caracterizado polo seu compromiso coa lingua catalá, idioma oficial do clube "desde hai 100 anos". Nos traballos asembleares, a ELEN debruzouse sobre as accións e o apoio mutuo que as distintas entidades se poden prestar entre si en orde a conseguir o pleno recoñecimento da pluralidade e a diversidade lingüística. Nese sentido, o secretario xeral da organización, Davyth Hicks, declarou que "o desprezo e a discriminación das linguas minorizadas é unha forma de racismo tal e como sinala o Consello de Europa". Por súa parte, Marcos Maceira puxo o acento sobre a lexislación regresiva en materia lingüística posta en andamento polo PP desde que recuperou o poder na Xunta en 2009, un retroceso "sobre unha situación xa precaria" que estaría a impedir o exercicio do direito básico a viver en galego.
NOS_58189
Este sábado ás 18.00 horas en Monte Pío. O chamamento que foi difundido a través das redes sociais leva por nome 'Negra sombra'.
A residencia oficial de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta de Galiza será o palco perante o cal se realice un escrache convocado este sábado ás 18.00 horas. O evento foi partillado nas redes sociais. Baixo o lema 'Negra sombra' @s convocantes chaman a unha "festa protesta" e animan á cidadanía a se sumar con faixas, comida e bebida. A convocatoria sucédese nunha semana de intensas protestas contra líderes do Partido Popular en Madrid. Neste senso, o presidente do goberno español foi apupado por ducias de manifestantes ás portas da sede da formación na rúa Génova con motivo da reunión da dirección executiva do PP. Aliás, a morada da vice-presidenta do executivo, Soraya Sáenz de Santamaría tamén foi obxectivo da campaña de escraches que desenvolve a Plataforma de Afectad@s pola Hipoteca. Este tipo de actuacións ten por obxectivo sinalar publicamente aquel@s líderes(as) polític@s que votaron en contra da dación en pagamento para as execucións hipotecarias mais comeza a se converter nunha fórmulas cada vez máis recorrente para todo tipo de causa. Neste senso, as plataformas de afectad@s polo calote das preferentes aseguraban esta mesma semana que barallaban a posibilidade de empregaren este tipo de accións para continuar adiante coa súa loita.
PRAZA_13954
A plataforma, que agrupa 30 colectivos, esixe que o Goberno galego incremente os 30 metros previstos de protección intensiva e que se inclúan na delimitación oficial treitos da calzada orixinal agora ausentes. Advirte que do contrario solicitará da UNESCO a paralización cautelar do expediente de declaración como patrimonio mundial.
O xoves 9 de agosto saiu a información pública a delimitación oficial do Camiño Primitivo, a vía máis antiga a Compostela. O Foro do Camiño Primitivo, que agrupa 30 colectivos, realiza unha valoración moi negativa do proxecto do Goberno galego. A plataforma levaba moito tempo reclamando a oficialización da delimitación da calzada, necesaria para a súa correcta protección e de feito considera "escandalosa" a demora no proceso, unha demora que nos últimos tempos permitiu, din, "todo tipo de impactos, asaltos e apropiacións sobre o territorio" polo que transita esta vía. O Foro rexeita "a perversión sistemática da lei de protección de 1996" e denuncia que o proxecto tenta "adulterar con alternativas artificiosas o itinerario histórico da vía primitiva, para consolidar derivas interesadas que foron reiteradamente denunciadas no seu momento". Así mesmo, considera "raquítica" a franxa de 30 metros de protección intensiva para a zona do ámbito BIC, así como "insuficiente" a área de respecto ou de cautela prevista na maioría dos casos para o conxunto do territorio histórico asociado, botando de menos ademais "a inclusión non só de importantes tramos de calzada orixinaria e conexións históricas, senón elementos do patrimonio material e intanxíbel nado ao abeiro desta antiga verea". O Foro denuncia que o proxecto tenta "adulterar con alternativas artificiosas o itinerario histórico da vía primitiva, para consolidar derivas interesadas que foron reiteradamente denunciadas" Así mesmo o Foro considera "absolutamente inapropiada" a publicación en pleno mes de agosto, estratexia detrás da cal sospeita "que se esconde unha manobra encubridora nun tema de tanta proxección de futuro e sensibilidade social". A plataforma advirte de que se a Xunta non modifica o proxecto atendendo ás recomendacións dos expertos e colectivos asociados no Foro, solicitará da UNESCO a paralización cautelar do expediente de declaración como patrimonio mundial.
NOS_14229
O mes de abril é un dos máis importantes na horta, xa que nel xúntase gran cantidade de traballos, desde colleitar a sementar ou transplantar. Neste mes adoitamos sufrir menos descensos térmicos e menos xeadas que poidan estragar os cultivos, mais aínda así nunca podemos estar seguros de non sufrilas polo que haberá cultivos que deberemos protexer se os plantamos no exterior. Ademais, este mes é perfecto para plantar algunhas flores comestíbeis e menciñeiras como a caléndula, a capuchiña ou os pensamentos. Servirán de aderezo e tamén como control de pragas.
Abril acostuma ser un mes acompañado de choivas, "en abril augas mil", e delas vai depender en gran medida o éxito das colleitas de toda a tempada. Durante este mes faremos todos os preparativos previos para acondicionar a horta ou os testos para recibir a maioría de cultivos que as ocuparán toda a tempada. Debemos asegurarnos de varias cuestións antes de comezar a plantar: —Este mes é moi variábel en canto a temperatura e climatoloxía, polo que cómpre ter un plan B por se as temperaturas descenden moito: mini invernadoiros, elementos que protexan os cultivos... —Debemos deixar o terreo preparado para acoller os cultivos, asegurándonos de que conte co compost suficiente para ter todos os nutrientes que as plantas precisen. Podemos engadir un acolchamento de palla ou herba seca que axudará a nutrir e a protexer o terreo dos cambios de temperatura, achegando un confort extra. —Para preparar o sistema de rego, tanto no caso de plantar no interior da casa ou en invernadoiro, debemos pensar na maneira en que imos achegar auga aos nosos cultivos, xa que ao estaren en interior non van poder recibir auga da choiva. Non podemos esquecernos de regar correctamente, xa que de non ser así poden secar por falta de humidade ou podrecer e proliferaren fungos se teñen exceso de auga, calor e falta de drenaxe. —Durante este mes decidirase o deseño da horta, é dicir, pensaremos onde situar cada cultivo e que tipo de estrutura usar para plantalo (regos, bancais, sementeiros etcétera). Cultivos de inverno Abril non só será o mes en que sementar e transplantar. Tamén será bo momento para traballar nos cultivos que xa están plantados na horta desde o inverno. Durante este mes colleitaremos os últimos allos, porros e cebolas que queden sen apañar na horta e que estean a punto de grelar. Mais lembraremos sempre deixar dous ou tres exemplares de cada plantados até que grelen e boten a flor, da cal extraeremos as sementes para gardar para a vindeira tempada. Este proceso vímolo na anterior lección, en que descubrimos a importancia de obter as nosas propias sementes e como facelo dunha maneira axeitada. Este mes é moi variábel en temperatura e climatoloxía, polo que debemos ter un plan B, por se as temperaturas descenden moito, como mini invernadoiros ou estruturas que axuden a protexer os cultivos Abril tamén será proveitoso para sachar os cultivos que plantamos no mes anterior como, por exemplo, as patacas, fabas, repolos, leitugas, chícharos etc. É moi importante que sachemos os cultivos, por varias razóns: para retirar as herbas que van saíndo entre os cultivos e que poden competir con eles á hora de facerse cos nutrientes que hai no solo, e tamén para airear a terra. Vimos nas leccións anteriores a importancia de ter unha terra ben aireada e branda para que os cultivos poidan desenvolverse con normalidade, sans e fortes. Se temos un terreo amazocado, as plantas terán máis difícil enraizar e medrar correctamente, ademais de que coas temperaturas máis altas do mes de abril, a humidade e a terra amazocada poden proliferar fungos que enfermen os cultivos. Sementar En abril podemos transplantar ao exterior algúns cultivos como cabazas, cabaciñas, cogombros, melóns, sandías... que previamente teñamos xerminado en sementeiros interiores, ou mercar directamente os plantóns para cultivalos no seu lugar definitivo. Abril é perfecto para plantar algunhas flores comestíbeis e menciñeiras como a caléndula, a capuchiña ou os pensamentos. Servirán de aderezo e tamén como control de pragas Abril é tamén un bo momento para plantar cenorias. Plantaranse a través de sementes directamente no seu lugar definitivo. Unha vez que vaian nacendo teremos que clarealas, arrancando os exemplares que estean demasiado xuntos uns dos outros e que non permitirán que a raíz se desenvolva correctamente, desta maneira axudaremos a que as cenorias medren ben. Podemos plantar porros de novo a carón das cenorias, xa que estes liberan unhas substancias que repelen algunhas pragas que afectan as cenorias como a mosca branca. Os porros pódense plantar en calquera época do ano. Outra das actividades que podemos facer durante este mes é transplantar ao exterior cultivos como tomates, pementos ou berenxenas, pero agardaremos a mediados de mes para tentar fuxir das xeadas e lograr unhas temperaturas máis estábeis. Será a mediados ou finais de abril tamén cando plantemos no exterior leitugas, xudías e acelgas. Estes cultivos son moi sensíbeis ás xeadas polo que esperaremos a que veñan unhas temperaturas un pouco estábeis. Como nunca podemos estar seguros do tempo que vai facer e de se vai caer algunha xeada tardía que estirpe os cultivos, podemos tentar protexelos con pequenas estruturas: garrafas de auga, que usaremos como mini invernadoiro enriba das leitugas; plástico transparente, que amarraremos cunhas estacas a modo de "caseta" para algúns cultivos. No caso de plantar no interior da casa ou en invernadoiro, non debemos preocuparnos pola xeada, polo que poderemos plantar todos estes cultivos sen ningún problema. O mes de abril tamén é unha época perfecta para plantar algunhas flores comestíbeis e menciñeiras como a caléndula, a capuchiña ou os pensamentos. Debemos cultivalas en espazos controlados como testos ou bancais para evitar que se expandan por toda a horta fóra de control. Á parte de servir como aderezo para ensaladas e outros pratos, empregaranse para repeler insectos e pragas se as intercalamos entre os cultivos da nosa horta. Resumo de tarefas—Sachar cultivos de inverno ou plantados o mes anterior: cebolas, allos, patacas, repolos, fabas...—Preparar e fertilizar o terreo para acoller novos cultivos.—Colleitar produtos de inverno: allos, cebolas, porros... Resumo de cultivos que podemos plantar—Cultivos de todo o ano que se dan ben nesta época: leituga, espinaca, pirixel, acelga, cenoria, remolacha, eiruga, porro.—Cultivos de primavera: tomates, pementos, berenxenas, cabaciña, cogombro, fresas.—Flores comestíbeis: pensamentos, capuchiña, caléndula... En definitiva, abril é un mes moi proveitoso na horta e na natureza porque é a época do cambio e da vida, o mes no que a climatoloxía comeza a mellorar, habendo menos xeadas e baixadas de temperatura bruscas, mais ao mesmo tempo cheo de auga, que permite que a horta medre e se desenvolva como un auténtico verxel. Durante este mes comezaremos a gozar dos primeiros produtos da horta que plantamos os meses anteriores, pero tamén subirá o nivel de actividade á hora de facer sementeiras, plantar novos cultivos, transplantar os plantóns que creamos nos sementeiros dos meses anteriores... Non debemos descoidar a horta neste mes, xa que do traballo ben feito durante estes días dependerá en gran medida a colleita de todo o ano. Lembra que abril é mes de transición en que cómpre ter previsto un Plan B para as xeadas por se estas ameazan a horta, pero tamén un plan B de rego por se as choivas cesan e a calor aumenta, o que podería provocar moitos problemas na horta. Os 3 'R' na horta: Reciclando tubiños de papel hixiénico Outro dos elementos que nunca faltan na casa, e do que seguramente este ano non tivemos escaseza, son os tubiños de cartón que veñen no interior do papel hixiénico. Estes tubos son perfectos para facer sementeiros. Dependendo das características e tamaños dos cultivos poderemos usar o tubiño enteiro ou ir cortándoo en anacos máis pequenos, en pequenas rodiñas, as cales situaremos sobre unha táboa ou cartón para que o substrato non caia. Tamén se poden fechar sobre si, utilizando o cartón enteiro e dobrando a parte inferior até quedar fechada a base. O bo de usar estes materias é que unha vez que vaiamos transplantar o cultivo ao seu lugar definitivo, non teremos que desfacernos ou almacenar recipientes, senón que poderemos engadir directamente o noso tubiño ao composteiro. Descomporase moi pronto xa que da humidade da auga e da terra xa estará medio desfeito cando transplantemos o cultivo. Preparados naturais para a horta: Infusión de menta para previr o pulgón A menta é unha planta aromática que podemos atopar facilmente en moitas hortas, xardíns, campos e incluso corredoiras. O seu forte cheiro e as súas propiedades van facer que se converta nunha grande aliada dos nosos cultivos, axudando a evitar e mesmo a combater ataques de pulgón. Nuns poucos minutos podemos preparar unha infusión que fará que as nosas plantas estean máis protexidas con moi pouco tempo e esforzo. Que preciso?—100 gramos de planta de menta fresca ou 20 gramos de planta seca.—1 pota ou recipiente apto para pór ao lume.—1 litro de auga.—Un coador.—Un coitelo ou tesoira. Receita—Debemos apañar 100 gramos de menta, se non a temos no noso horto podemos apañala de maneira silvestre, xa que é habitual atopala en campos e camiños. Debemos collela lonxe de lugares onde poidan pasar coches perto. Recolle unha cantidade máis grande e déixaa secar á sombra. Así conservarala para vindeiras ocasións.—Corta a menta en anacos pequenos coa axuda dunha tesoira ou coitelo.—Bota 1 litro de auga na pota ou recipiente.—Engade a menta ao litro de auga.—Quenta pouco a pouco a pota coa auga e a menta no interior. Xusto antes de chegar a ferver, apaga o lume para que non perda os principios activos.—Tapa a pota e deixa que a infusión enfríe. Como usalo?Unha vez que a infusión estea fría hai que coala e quedar só co líquido. Os restos de menta podemos engadilos ao composteiro.Unha vez coada poderemos pulverizar directamente, sen diluír, nas zonas da planta afectadas polo pulgón.Tamén podemos usalo como prevención se pulverizamos as plantas unha vez ou dúas á semana.
NOS_40534
A XXII edición, que comeza esta cuarta feira 1 de setembro, adáptase á Covid pero saúda as visitas.
O Festival Internacional de Títeres de Redondela chega á súa XXII edición nun contexto marcado polas restricións derivadas da Covid-19 pero abre a man con respecto á celebración de 2020. Tanto é así que este ano apostan no "teatro itinerante" como atractivo principal para atraer o público de fóra da vila e o seu entorno, pois non será preciso reservar praza e o acceso será gratuíto. Os pases para os espectáculos baixo teito están esgotados pola necesidade de gardar un protocolo, pero quedan outras propostas como as exposicións ou as funcións na rúa dos "teatriños de luva" para gozar desta cita ineludíbel para as fanáticas dos monicreques que comeza hoxe e decorrerá até o domingo día 5. "Este ano temos unha aposta máis aperturista con actividades itinerantes que non houbo o ano pasado", destaca o director do Festival de Títeres de Redondela, Luís Crespo, sobre a oferta que atopará a xente que se desprace até a localidade. Estas iniciativas nas que as compañías sairán a percorrer o rueiro terán lugar o sábado e o domingo, pero desde hoxe mesmo haberá programación tanto nas salas como nas carpas. Para estes espazos xa remataron os pases porque é preciso organizarse para cumprir con todas as medidas de seguridade e control fronte o coronavirus. As entradas para as ducias de espectáculos -este ano hai 24 compañías, a metade delas galegas e o resto chegadas desde o territorio español, Francia e mesmo Rusia- esgotáronse ao pouco tempo de estar dispoñíbeis, o que para o responsábel fala do interese que existía na cita coas marionetas malia que o ano pasado non quedou suspendida. "Unha hora antes xa había certa cola, o que amosa o interese que xera na cidadanía o festival", reflexiona. Sen necesidade de reserva Porén, Crespo anima a xente en xeral a coñecer a festa, pois ao igual que haberá actuacións itinerantes "de calidade", tamén hai exposicións na rúa de acceso libre e gratuíto. É o caso da homenaxe á compañía Cachirulo, que estará á vista en diversos escaparates de negocios do municipio. Tamén destaca os "teatros mecánicos", onde "as vellas máquinas de marcianos mudan en teatros de luva" interactivos a través dos mandos. A entrada e a saída son dinámicas, fornecendo espazo para que moitas persoas poidan descubrir a experiencia. "Divertirse e ser seguro pode ir da man; é case unha obriga porque a situación estírase no tempo e é unha necesidade saír", destaca o director.
PRAZA_15704
O secretario xeral do PSdeG lamenta que e a maxistrada impedise fixar unha data na que puidese contar coa súa defensa e di "non entender que acontece" nos xulgados de Lugo. "O fondo da cuestión é que non hai caso", resalta.
"Non teño máis remedio que non contestar se non se acepta que estean os meus avogados". O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, estaba citado este martes para declarar no marco do caso Garañón, no que a xuíza Pilar de Lara lle imputou o pasado xullo presuntos delitos como prevaricación, tráfico de influencias, contra o territorio e suborno por unha operación urbanística da súa etapa como concelleiro en Lugo. Tras adiar a declaración o pasado verán De Lara fixou a nova data en novembro e, aínda que os avogados de Besteiro reclamaron un cambio de data por teren que asistir a un xuízo en Málaga, o da operación Goldfinger, a cita mantívose para este 12 de xaneiro. Este mesmo luns a xuíza rexeitou as alegacións nas que os letrados pedían que Besteiro fose citado nunha data á que puidesen asistir. Pero para De Lara esta petición da defensa do socialista "encobre unha manobra claramente fraudulenta", un "abuso de dereito para tentar dilatar o procedemento". A alternativa que lle formulou a Besteiro e que este rexeitou foi declarar asistido por unha letrada de oficio en prácticas que, indica o socialista, non podía representalo con garantías, toda vez que non é posible coñecer "en cinco minutos" a vintena de tomos que compoñen o sumario. De Lara rexeitou mudar a data da declaración e acusa os avogados de "manobras fraudulentas" por solicitalo Así as cousas, tras permanecer uns poucos minutos no edificio xudicial lucense Besteiro compareceu ante a prensa para indicar que "non entende" o que "acontece neste xulgado". "Non entendo por que esta declaración non se suspendeu ou se puxo antes, non entendo este proceder" ante unha cuestión que considera "de pura lóxica", a necesidade de ter a asistencia dos avogados "que están familiarizados coa causa". "Non entendo pro que esta declaración non se suspendeu ou se puxo antes", di Besteiro, quen subliña que el é "o menos interesado en dilatar esta cuestión", xa que "non hai caso" "Levo 180 días" agardando para declarar "e parece que só o 12 de xaneiro se podía facer esta declaración", lamenta o socialista, quen rexeita o argumento da xuíza segundo o cal está inmerso nunha estratexia para alargar o procedemento. "O que está menos interesado en dilatar esta cuestión son eu", manifesta, tanto por motivos "persoais e familiares" como por "unha cuestión política evidente", toda vez que este caso pode chegar a condicionar a súa permanencia no cargo e a súa candidatura á Xunta. A estes factores, agrega, engádese un máis, o económico, toda vez que os avogados "non me saen de balde" e dende o pasado xuño carece da "retribución" coa que contaba como presidente da Deputación de Lugo. Neste escenario, resta saber se De Lara citará a Besteiro de novo nun contexto no que, como xa afirmara o pasado decembro, se considera "alleo" ás "comunicacións" e enfrontamentos "entre avogados e xuíces". "Todo o mundo entende que todo o mundo ten dereito ao seu avogado, e eu son parte dese mundo", resume, nun contexto no que, reitera, "non teño temor a que poida haber un reproche penal contra min". "O fondo da cuestión é que non hai caso, pero ata chegar a el hai unha formalidade" que, di, é a que tenta solventar, tamén mediante o cuestionamento da competencia da xuíza que, lembra, está pendente de se resolver. "No fondo, non hai nada", asegura.
PRAZA_6756
Próeme que algunhas das mentes máis brillantes do País ollen de máis a Madrid para conformar un relato agradábel aos que alí mandan, no canto de construír unha cosmovisión galega propia, que saiba explicar os acontecementos no Estado, na Europa e no mundo en clave galega
Os galegos tendemos ler en boa medida os nosos propios xornais e sintonizar as nosas propias emisoras de radio e TV. Quere isto dicir que buscamos informacións e opinións achegadas á nosa realidade. É evidente, xa que logo, que as informacións e opinións elaboradas dende Madrid non enchen a demanda da nosa cidadanía. Velaí que un non entenda porqué profesores galegos eminentes, que salientan pola calidade dos seus artigos xornalísticos e achegas en debates audiovisuais varios, teimen ultimamente en repenicar na Galicia a opinión que a eito pontifican dende os xornais, radios e TV madrileñas. Deste xeito, algúns defenden as políticas de austeridade como única resposta económica posíbel e máis a inflexibilidade do "patriotismo constitucional" como única resposta do Estado fronte á mobilización cidadá catalá a prol do dereito a decidir. Outros sinalan aos tres nacionalismos (vasco, catalán e galego) como responsábeis das peores vivencias españolas dende a Restauración do 1975. Próeme que algunhas das mentes máis brillantes do País ollen de máis a Madrid para conformar un relato agradábel aos que alí mandan, no canto de construír unha cosmovisión galega propia Próeme que algunhas das mentes máis brillantes do País ollen de máis a Madrid para conformar un relato agradábel aos que alí mandan, no canto de construír unha cosmovisión galega propia, que saiba explicar os acontecementos no Estado, na Europa e no mundo en clave galega. Porque defender as políticas de austeridade na Galicia descoñece a realidade dun País que liquidou boa parte da súa base industrial nos cinco anos e medio de goberno Feijóo e que fanou aquel diferencial baseado nunha menor exposición ao ladrillo de segunda residencia. E esquecer que o galeguismo foi o único que achegou neste país un discurso sobre o territorio, as carencias e potencialidades da economía galega ou a vocación europea e marítima de Galicia amosa unha notábel desconexión co noso presente e co noso pasado. Pola contra, pouco limos en algúns destes profesores a respecto da especificidade da economía galega Pola contra, pouco limos en algúns destes profesores a respecto da especificidade da economía galega, construída sobre alicerces ben distintos á española (construción naval, complexos mar-industria e monte-industria, sector agrogandeiro, turismo non masivo) e de como require para a súa competitividade e para xerar benestar aos galegos dun amplo autogoberno. Nin tampouco a respecto da actual desafección da cidadanía co marco político pactado na transición.
NOS_10893
Agosto foi o último mes en que descendeu o número de persoas desempregadas no noso país. Desde entón, foi en aumento a un ritmo de 130 novos desempregados cada día. Xaneiro despediuse con 7.639 parados máis e 15.240 empregos menos.
Galiza leva desde o pasado agosto sen coñecer un mes con descenso de persoas no desemprego. Cinco meses nos que o número de persoas anotadas no paro rexistrado foron en constante aumento. En setembro 2.005 máis que en agosto , en outubro 6.355 parados máis que en setembro, en novembro 3.066 a maiores que en outubro e en decembro 3.650 máis. Os datos dados a coñecer esta segunda feira relativos ao mes de xaneiro indican que o número de parados incrementou en 7.639, o terceiro maior aumento do Estado. A 31 de xaneiro o paro rexistrado en Galiza é de 236.447 persoas, 20.713 máis que as que había en setembro. Desas 236.447 desempregadas, 110.132 son homes e 126.315 mulleres. Por sectores, só agricultura e industria foron quen de ter un bo comportamento en xaneiro. No outro extremo, a construción (544 parados máis que en decembro) e, principalmente, servizos (7.336 novos desempregados). O 52% dos 236.447 parados non perceben prestación por desemprego. Son 123.823 persoas No que atinxe aos contratos, os de carácter temporal seguen a ser abrumadora maioría. Dos 62.688 contratos laborais asinados en xaneiro, 57.127 son temporais, case o 90% do total, mentres que os indefinidos foron menos de 5.600. Sen cobertura Máis da metade das persoas que na actualidade están no paro en Galiza non perceben prestación por desemprego. Nesta situación están 123.823 dos 236.447 parados, o 52%. Unha porcentaxe que non para de aumentar. Cómpre lembrar que o 42% dos galegos no desemprego levan máis de dous anos nesa situación. Ademais, en xaneiro tamén se rexistrou unha importante queda nas afiliacións á Seguridade Social: 15.240 menos en comparanza con decembro.
NOS_13986
Un libro recolle a orixe e significado dos topónimos.
Gonzalo Navaza, académico correspondente, reúne a orixe e o significado dos nomes dos 93 concellos da Coruña nunha nova publicación da Real Academia Galega. O volume ofrece un breve e sinxelo comentario histórico e etimolóxico dos nomes dos 93 municipios e fai constar os rexistros documentais máis antigos que se coñecen, na súa meirande parte tomados de textos medievais en latín e en galego. A orixe e evolución de moitos topónimos é ben coñecida, sexa porque gardan relación con palabras do léxico común, porque teñen paralelos ou correspondencia na toponimia doutras áreas ou porque a documentación histórica aclara as incógnitas. Pero outros nomes de concellos, explica o autor, teñen unha etimoloxía escura ou dubidosa. Para estes casos, o filólogo resume n'Os nomes dos concellos da provincia da Coruña as hipóteses máis aceptadas entre os especialistas na actualidade, ou as máis verosímiles de acordo cos principios de rigor da gramática histórica e da ciencia onomástica. O libro repasa nomes tomados do léxico común e expón as hipóteses máis plausíbeis para explicar o significado daqueles topónimos de orixe prerromana. En canto ao topónimo que dá nome á Coruña, ten suscitado múltiples hipóteses etimolóxicas. "A crenza de que existía antes de 1208, levou a consideralo de orixe prerromana", lembra Navaza. Pero o mellor coñecemento das retoponimizacións levadas a cabo por Afonso IX permite atribuírlle a Crunia unha orixe literaria: "O rei tomou o novo nome dunha cidade mencionada entre as supostas conquistas de Carlomagno na Galiza segundo a lenda da Historia Turpini, un dos libros do Códice Calixtino (século XII). Desta fonte tomou este rei outros topónimos como Baiona ou Viana para renomear vilas reguengas con motivo da concesión do foral", conclúe.
NOS_34452
As xornadas decorrerán en Compostela o vindeiro 4 de marzo e nas mesmas estarán presentes representantes de organizacións da rede internacional 'Si á vida, Non á minaría' (YLNM). Finaldenses, nixerianos ou australianos exporán as súas experiencias e loitas
Desde o 2013 realízanse anualmente os encontros 'ContraMINAcción', que levan o nome da rede que os impulsa, constituída por 23 colectivos de diferentes partes de Galiza. A minaría é un tema de preocupación pública e cada vez máis candente en Galiza, así como noutras partes do mundo", sinalan desde esta rede, que vén de anunciar que os III Encontros decorrerán o 4 de marzo en Compostela, no centro socio-cultural de Vite. Máis unha vez, as persoas participantes debatirán sobre os impactos socioeconómicos, legais ou ambientais dos proxectos mineiros. Especial atención nestes encontros terá a auga así como a criminalización dos procesos de oposición a estes proxectos. "Na actualidade, a administración segue a manter unha actitude de desleixo cara os problemas ambientais e unha disposición favorable cara o desenvolvemento mineiro", afirman. Nesta cita estarán presentes organizacións internacionais que fan parte de 'Si á Vida non á minaría' (YLNM), que se constituíu en 2012 por individuos, organizacións e redes de todo o mundo preocupados polo benestar ameazado polo crecemento exponencial da minaría na última década. De Triacastela e Lousame a Australia e Finlandia A dificultade para a veciñanza de acceder á información dos trámites mineiros ou a intención da Xunta de facer dun organismo privado como a Cámara Mineira o único rexistro público das concesións mineiras de Galiza son cuestións que preocupan. Como tamén preocupa a negativa da Consellaría de Industria a declarra a caducidade das concesións mineiras, "incumprindo así as disposicións legais". A organización das xornadas afirma que "terra, auga e patrimonio vénse ameazados" en Triacastela "coa ocupación de terras e montes comunais, a destrución de vías públicas de comunicación ou de recursos hídricos". Ademais, engaden, Cementos Cosmos está pasando "literalmente por riba dun dos máis importantes patrimonios arqueolóxicos e paleontolóxicos de , a cova de Eirós". Lembran tamén que os titulares da explotación mineira de San Fins (Lousame) solicitaron unha autorización de vertido de augas mineiras industriais ao río San Fins. "Aparentemente ditas augas teñen uns contidos de metais pesados moi superiores ao legalmente establecidos e estarían afectando aos campos de marisqueo da Ría de Muros-Noia". Nas xornadas tomarán parte representantes de organizacións de Finlandia, Nixeria ou Austrlia que explicarán as súas loitas. Programa Terra e Auga – 10:30 Michelle Malone, AELA Queensland, Australia. Carbón e Fracking no estado de Queensland, Australia. Wale Obayanju, Homef, Nixeria: Resistencia á explotación petroleira Natalie Lowrey, Deep See Mining Campaing, Australia: Minaría en Alta Mar, un roubo invisíbel. A-mina-zando o Mar Chris Madine, Cooperativa Snowchange, Finland. "Minaría e pesca en Siberia" Joám Evans Pim, Sociedade Coluna Sanfins, José Luis Rodríguez, Asoar-Armega: "Vida e ría, ou minaría". Evento Festivo e Solidario: Berta Cáceres a 1 ano da súa sementeira, Berta vive! 17:00 horas. Dereitos moi tortos Marga Prieto (SLG) e Marcos Celeiro (O Iribio). "Galiza concesionada á minaría". Clemente Bautista, Red Kallkasan. "Dereitos violentados en Filipinas". Juliana Thornton: "Dereitos sobre a terra e minaría en Sudáfrica". Hai Opcións! Mariana Gómez, Gaia Amazonas, Colombia: "Consultas populares, o caso de Colombia". Roi Seoage, Verdegaia: "Minaría Urbana" Xoan Doldán, ContraMINAcción: "Redes de colectivos"
PRAZA_7309
As redes sociais difunden un cartel de Cáritas na Coruña onde se establecían diferentes horarios para "persoas normais" e "xitanos". A organización cristiá pide desculpas e aclara que era un erro antigo e Secretariado Gitano fala dun "problema social".
A Fundación Secretariado Gitano condenou este venres a "dobre categorización das persoas entre xitanos e non xitanos" logo de que polas redes sociais se difundise o pasado 24 de decembro unha nota do servizo de roupetiro de Cáritas Diocesana da Coruña onde se establecían dous horarios diferentes para "persoas en xeral" e para os desta etnia. Secretariado Gitano cre que o cartel é unha mostra "do racismo soterrado e inconsciente cara á poboación xitana" Malia agradecer a "rápida resposta" de Cáritas Española rexeitando e condenando nun comunicado tamén esa diferenciación, Secretariado Gitano denunciou que este cartel non é máis que a mostra do "racismo soterrado e inconsciente cara á poboación xitana", así como a "hipocrisía que rodea" a sociedade. A polémica xurdiu cando un tuit cunha fotografía do devandito cartel de Cáritas Interparroquial da Coruña mostraba como se asignaban días diferentes para a recollida de roupa. As acusacións de racismo e discriminación foron moitas e a organización cristiá non tardou tampouco en aclarar que era un "caso puntual" e que se trataba dun aviso "de hai anos" que se colocou nunha parroquia coruñesa, que alí seguúia e que non tiña intención pexorativa ningunha. "Fíxose para ofrecer un mellor servizo ao colectivo xitano e promover tamén a súa integración", aclarouse. O cartel que circulou polas redes mostra dous horarios diferentes para recoller roupa: "persoas en xeral" e "xitanos" O cartel que circulo no día de Noiteboa polas redes sociais mostra dous horarios para a recollida de roupa nunha das sedes que Cáritas ten na Coruña. Mentres as "persoas en xeral" debían ir o martes de 9a 11, os "xitanos" debían acudir o xoves no mesmo horario. Desde Cáritas insístese que foi un erro xa antigo e que non se fai ningunha distinción de horario nin día por etnias á hora de recoller roupa e, de feito, nos horarios que se poden ver na súa web non hai diferenciación ningunha, senón que se establecen horarios en xeral e sen restricións na Coruña. A explicación que se dá desde o colectivo é que a fotografía é dun cartel que se mantiña pendurado nun taboleiro desde hai anos e que entón aquela inexplicable e rexeitada diferenciación facíase para separar entre aqueles que ían apañar roupa para o seu uso e aqueles que adoitan vendela logo nalgún mercado. A Confederación Cáritas Española lamenta "profundamente" a distinción e espera que "non se volva repetir" A Confederación Cáritas Española lamentou "profundamente" a distinción realizada porque vai "totalmente en contra dos valores profundos desta institución e do traballo" que desenvolve a asociación cada día "poñendo no centro as persoas se distinción ningunha". Ademais, mostrou o seu apoio a Cáritas Diocesana de Santiago, responsable última da organización, nas medidas "oportunas e contundentes" que se adoptasen para que "non se volvan repetir" situacións semellantes. Pero a Fundación Secretariado Gitano non é tan optimista e asegura que sabe que "estes casos se volverán repetir noutro lugar noutro contexto e noutras circunstancias". "Confiamos en que, cando isto ocorra, sexamos capaces de detectalo a tempo, mobilizarnos e denuncialo contundentemente desde os distintos sectores da sociedade", asegura nun comunicado. "O problema non está en Cáritas, está no conxunto da sociedade; este só é un caso máis" "O problema non está en Cáritas, está no conxunto da sociedade. Este caso é un máis nunha longa lista de incidentes que son unha clara vulneración dos dereitos fundamentais da poboación xitana recoñecidos na nosa lexislación nacional e internacional", di a Fundación, que lembra que "o rexeitamento" cara ao seu pobo "está tan arraigado entre nós que moitas veces nin se percibe e se acepta".
NOS_55904
José Luis Estévez rescata nun libro a obra do que fora concelleiro en Compostela.
O xornalista José Luis Estévez publica coa editorial Alvarellos a historia da vida de Luís Pasín Liñares, "un reflexo do que moitas familias tiveron que vivir durante o franquismo, a transición e a democracia no país", explica o autor en conversa con Nós Diario. Estévez destaca algúns dos moitos feitos que fan da vida do ex concelleiro de Compostela, "unha historia apaixonante que debería chegar a todo o mundo", asevera. O xornalista José Luis Estévez (Ferrol, 1968) vén de publicar coa Editorial Avarellos un libro sobre a vida do ex concelleiro Luís Pasín Liñares (Santiago, 1934). Pasín: memoria dunha resistencia relata os "durísimos anos da posguerra, cando a ditadura danou a fondo a familia Pasín Noia, na acción política do protagonista e na transición democrática cando Pasín pasa a integrar o Goberno municipal de Xerardo Estévez", resumen desde a editorial. "Esta é unha obra que utiliza a vida de Pasín para ser un reflexo da realidade que moitas familias estaban a vivir naquel momento", explica o xornalista José Luis Estévez, en conversa con Nós Diario. A idea de realizar este traballo biográfico sobre Pasín xorde a través dun comentario que lle realizan ao xornalista "e que decido realizar polo grande interese que espertou a vida de Luís Pasín Liñares en min", comenta Estévez. Máis de 20 horas de conversa O autor realizou máis de 10 entrevistas de máis de dúas horas cada unha para realizar un achegamento á vida de Pasín desde un punto de vista cronolóxico. "Por sorte el ten moi boa memoria e conseguía recordar moitos detalles da súa vida", sinala Estévez. O primeiro recordo da súa infancia e que Pasín comparte con Estévez é "con tan só tres ou catro anos, dándolle a man ao seu pai a través dunha cancela no cárcere localizado no Pazo de Raxoi no que logo o propio Pasín estivo exercendo o seu cargo público", conta o xornalista. Ao autor sorpréndelle "a dura vida que tivo a familia, represaliada durante o franquismo e que viviu momentos tan duros como a persecución do seu pai, que mesmo estivo en diversos campos de concentración do Estado, e que o propio Pasín tiña que agochar nun burato debaixo da súa cama cando era un cativo e os franquistas viñan á casa da familia tentar detelo". Da vida do santiagués, Estévez tamén destaca os persoeiros cos que Pasín mantivo relación durante o franquismo. O libro conta cunha galería de imaxes que ilustran "algúns momentos únicos na vida do protagonista e que reflicten unha singular e crónica gráfica da vida de Compostela e da Galiza durante case un século". Historia digna dun filme de Hollywood Ademais, Estévez tamén resalta das vivencias que tivo Pasín "a viaxe que fixo a Moscova (Rusia) para saber se existía cura para o cancro que daquela sufría seu pai e polo cal acabou falecendo. Aí non só descobre que non hai tal cura, senón que tamén se decata das partes negativas que tiña o comunismo e sofre unha enfermidade pola cal teñen que operalo alí mesmo. Toda unha historia digna dun filme de Hollywood que demostra que non temos que buscar lonxe do país para poder atopala", narra o autor. Para o xornalista, "estas historias non deberían de esquecerse" e por iso realizou este libro "coa intención de que chegue a todo tipo de público. Non só á xente que coñeceu a Luís Pasín ou da súa época, senón tamén ás novas xeracións, para que coñezan o que se viviu no país durante a época do franquismo, transición e democracia", indica Estévez. Unha nova política local A respecto da personalidade de Pasín, o xornalista destaca "a capacidade de que, malia que sufrira tanto na súa vida, non gardou rencor e exerceu de funcionario público durante moitos anos na Concellaría de Parques e Xardíns de Santiago. A día de hoxe, moita xente lle segue a agradecer a súa achega durante eses anos, especialmente no seu barrio de Conxo, onde ten o nome dun parque e o seu avó, unha rúa", resalta Estévez. "A súa política puña á veciñanza no centro da acción política, algo que sempre tivo moi interiorizado e algo que el mesmo me admitiu de que se está a perder na política actual a nivel xeral", expresa o xornalista en conversa con Nós Diario. Historia apaixonante O xornalista non coñecía Pasín en persoa até que chegou a oferta de realizar este libro, "descubrín unha persoa cunha historia apaixonante para min, que é tamén reflexo doutra xente que pasou por esa represalia tanto en Santiago como noutros lugares do país", expresa. O libro, que se presentou no Salón de Actos do Museo do Pobo Galego o 24 de xuño, conta cun limiar realizado polo ex alcalde de Compostela (nos períodos de 1983-1986 e 1987-1998) Xerardo Estévez. Na presentación tamén participaron o actual alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, o historiador e presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, o editor Henrique Alvarellos, o protagonista do libro e o seu autor. Sobre a súa acollida, o xornalista agarda que "chegue a todo mundo, xa que é unha historia apaixonante que acontece no noso país e que demostra que non temos que buscar noutros lugares para atopar feitos duros e conmovedores que merecen ser lembrados", conclúe.
NOS_23476
Traballadoras e traballadores de NGB denuncian as consecuencias sociais e laborais do rescate financeiro á banca e chaman a secundar a manifestación convocada para o vindeiro día 12.
Esta terza feira a dirección de NGB reunirase de novo c@s representantes sindicais para abordar as condicións do plan de re-estruturación que destruirá máis de 2.500 postos de traballo e que suporá o feche de 327 sucursais --principalmente aquelas afincadas no rural galego o que ocasionará "a marxinación financeira dunha parte importante da poboación alá onde os bancos privados pecharon", sinalan fontes sindicais. Segundo a entidade financeira as persoas que se acheguen á xuntanza poderán consultar a documentación achegada pola consultora encargada de avaliar a situación financeira de NCG, porén non poderán entrar para a súa consulta máis que dunha en unha e sen posibilidade de faceren copias dos documentos. A entidade obriga @s representantes sindicais a consultaren a documentación dun(ha) en un(ha) e sen faceren copias Desde os sindicatos denuncian a "a mala fe" coa que se está a desenvolver o plan de re-estruturación exixido desde as institucións económicas internacionais e o goberno español, aliás, das "graves consecuencias sociais e laborais" do mesmo. Neste senso, veñen de convocar unha manifestación que terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro día 12 de xaneiro para exixieren "un outro plan" que non implique os duros recortes previstos polo actual. Así o demandan no manifesto aprobado co gallo da mobilización. Segundo as centrais sindicais, amáis da destrución de 2.508 postos de traballo de maneira directa, serán despedidas máis traballadoras e traballadores vencellad@s á Obra social das extintas caixas. Tamén así, denuncian que após a aprobación do rescate financeiro será a cidadanía a que pague as débedas contraídas pola entidade convertendo, din, "a débeda privada en débeda pública, ao tempo que se privatizan os futuros beneficios". Aliás, a valoración negativa recibida pola entidade na súa auditoría levará "á incautación do patrimonio acumulado aforros de milleiros de galegos e galegas", apuntan as centrais sindicais, nomeadamente a aquelas persoas que foron estafadas pola fraude das preferentes e subordinadas, ás que se lles impón unha quita do 50% dos seus aforros "mentres se garante o pago aos grandes investidores institucionais posuidores de células hipotecarias", denuncian @s representantes sindicais.
PRAZA_8270
Este venres celébrase en Santiago a terceira edición de Compostweets, o Encontro Anual do Social Media en Galicia, que nesta ocasión xirará ao redor dos negocios en internet, o emprendemento online e o marketing dixital.
Este venres celébrase en Santiago a terceira edición de Compostweets, o Encontro Anual do Social Media en Galicia, que nesta ocasión xirará ao redor dos negocios en internet, o emprendemento online e o marketing dixital. Celebrarase no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG). A entrada será libre e poderase seguir a través de streaming. Rodolfo Carpintier será o encargado de inaugurar o evento. Este visionario, que apostou por plataformas como Tuenti e BuyVip cando non eran máis que proxectos en fase inicial, compartiu este venres un almorzo previo á celebración do Compostweets 2013, organizado pola Axencia de Deseño e Comunicación Lúdica7, para desentrañar as claves da súa obra Internet pode salvar a túa empresa... ou afundila. Nela conta a historia dunha empresa familiar dun sector a priori nada tecnolóxico, como o dos marcos para cadros, que conseguiu grazas á revolución da nova xeración despegar e triunfar grazas á web 2.0. Os pasos a seguir, segundo o experto, serían "cambiar o chip", para empezar, e "pensar en positivo". Os empresarios deben facer ademais un "formulación innovadora, e un persoal plural, non debe ser de xente coas mesmas características". Na variedade está o gusto, e para o economista, tamén o triunfo, cun cadro de persoal que fale distintos idiomas, con experiencia no mundo dixital e que, sobre todo, divírtase ao ir traballar. A segunda parte de Compostweets 2013 é a do Business Web, un espazo no que se lle dará voz a cinco emprendedores para explicar o seu proxecto de negocio en internet. O blogueiro tecnolóxico David Serantes, CEO de Serantes&Cía; Manuel García, director de operacións de la red Unio; José Manuel García Pérez, director de Innova Idiomas; o avogado 2.0 Enrique Soria, de Movendo; e José Luis Cabarcos, director xeral de IFFE; son os titores que acompañarán os emprendedores na preparación dos seus proxectos para ser presentados no Business Web. A mellor idea terá como recompensa un curso de e-commerce coa Escuela Europea de Negocios da man da Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (AJE Galicia). A última das intervencións de Compostweets 2013 correrá a cargo de Rubén Bastón, Social Media & SEO Director en Elogia, que exporá as claves de O marketing dixital como acelerador das vendas online.
NOS_49383
O ministro de Educación, tamén titular de Cultura, entregou por vez primeira o Premio Nacional de Tauromaquia, creado en 2011, a comezos de decembro, o mesmo mes en que se coñeceu que milleiros de estudantes quedaron sen as súas bolsas de estudos dependentes do departamento que dirixe Wert.
O ministerio de Cultura entregou este 2013 por vez primeira o Premio Nacional de Tauromaquia, dotado de 30.000 euros, a mesma cuantía que o departamento que dirixe José Ignacio Wert destina ao Premio Nacional español das Artes Plásticas, da Fotografía, de Cine, de Teatro, de Danza, de Música ou de Belas Artes onde, por certo, tamén se premia cada ano un toureiro malia ficar reservado a persoas "que teñan destacado na creación artística ou cultural ou no fomento desta". Os galardóns que se entregan á Literatura, ao Cómic ou ao Xornalismo Cultural reciben 10.000 euros menos aínda. Así, o mesmo mes en que se coñeceu que milleiros de estudantes quedaron sen cobrar as súas bolsas de estudos, Wert fixo efectiva por vez primeira a orde ministerial ditada o 8 de novembro de 2011 polo propio conservador en virtude da cal creaba este novo 'premio cultural' que non se entregara nunca até agora. O primeiro galardoado por un xurado integrado unicamente por representantes do mundo taurino e afeccionad@s ás touradas foi Francisco Manuel Ojeda.
NOS_21055
A dirección de Anova decidiu intervir a asemblea de Vigo para cambiar as condicións aprobadas de maneira asemblearia para a elección das persoas que conformen a coordinadora local, segundo informa La Voz de Galicia.
Unha vez aprobada a intervención da asemblea en Vigo da permanente tería saído unha xestora composta por pola responsable de Organización, Paula Verao, o de Relaciones Políticas, Luis Eyré, e o de Acción Institucional, Antón Araúxo co fin de anular a norma que establece as incompatibilidades aprobada pola asemblea. A medida foi aprobada ao considerar a dirección de Anova inadecuado o rexime de incompatibilidades aprobado pola militancia de Vigo, polo que ningún cargo da permanente nin da coordenadora nacional podería ser ao tempo un cargo da coordenadora local, segundo a información do xornal de Sabón. Destarte, non poderían optar a facer parte dos órgaos locais nen a parlamentar Consuelo Martínez nen o ex concelleiro do BNG Xabier Toba.
NOS_34944
Neste número do semanario: centros privados publicitan títulos non recoñecidos, a eterna hipoteca do Gaiás, a moción decensura en Madrid axita o taboleiro na Galiza, entrevistamos Antonina Semedo, activista caboverdiana; e Antón López (Trexadura)… Todo isto e máis, xa na nosa loxa.
O "caso Cifuentes" destapou irregularidades relacionadas coa impartición e expedición de títulos de mestrado na Universidad Rey Juan Carlos de Madrid que seguen a ser investigadas en sede xudicial. A institución, moi vencellada ao PP (fundouse sendo Ruiz-Gallardón presidente da Comunidad de Madrid), tamén ten tentáculos na Galiza. 'Mestrados en cuestión'. 'A eterna hipoteca do Gaiás' En 2013, o PP apoiou unha inciativa parlamentaria do Bloque para paralizar a construción da Cidade da Cultura. Sen previo aviso, a dereita sumábase ás posturas da oposición que, no medio do vendaval económico, esixía cando menos moderación no megalómano proxecto. Mais as tornas mudaron. Un novo edificio, do que non transcenderon máis detalles que a súa estimación orzamentaria, levará as pas a un monte Gaiás cuxos usos e utilidades distan de ser claros. 'Clamor contra a mina de Touro'. Manifestación o domingo ás 12h., desde a Alameda de Compostela. Contámosche os por ques desta manifestación. Entrevistamos Antonina Semedo, activista caboverdiana: "Para min é como se xa recibise a Medalla Castelao". Afincada na Mariña lucense desde hai 40 anos, este ano, un colectivo de veciñas artellou unha iniciativa para que lle sexa concedida a Medalla Castelao polo seu incansábel labor como activista, mediadora, artista e, en xeral, forza motriz no familiar e comunitario. 'A moción axita o taboleiro na Galiza' O novo Goberno español chegou de súpeto e por sorpresa. As consecuencias políticas para Galiza, cuxas forzas de oposición apoiaron a caída de Raxoi, están por ver. Polo momento, a dereita inicia debates sucesorios aquí -Feixóo como recambio- e acolá. E á esquerda e ao nacionalismo preocúpalles o papel do país nunha hipotética reformulación territorial do Estado se finalmente o PSOE enceta o diálogo co soberanismo catalán. A piques de finalizar o curso político 2017-2018, e de camiño a que se chegue ao meridiano do terceiro mandato de Núñez Feixóo, máis perto de Madrid que nunca, desde a oposición o balanzo que se fai destes dous anos sinala incumprimentos, esquecementos e unha xestión con máis palla que gran. 'Dous anos en balde' A peor herdanza da crise. A cronificación do desemprego afecta 90.000 persoas na Galiza, 50% das persoas no paro. 'Ricos máis ricos, pobres máis pobres' Cando os chamados mercados "desregulados" resultan ser mercados regulados polos poderes económicos que operan alén do mercado. 'A muller que encheu os barcos de indios e vaqueiros' Waldina Pereira foi emigrante no Uruguai, abriu un negocio no Carril dos anos 40, sendo apenas unha moza, e foi pioneira no intercambio de novelas Entrevistamos Antón López, un dos membros fundadores de Treixadura: "As creacións de Treixadura están feitas por xente que viviu e mamou a música tradicional". Neste número, una nova entrega da sección Eira das Mouras, na que o arqueólogo e museólogo FelipeSenén reflexiona ao redor da relación entre a auga e a arquitectura, pondo a ollada na realidade galega do pasado e do presente. E non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, Pepe Barro, Mario Regueira, Marilar Aleixandre, Guillerme Vázquez, Belem Tajes, Andrés Castro, Mónica Pazos, Colectivo Xea, Xulio Carballo, Tokio e Nachortas.
NOS_53048
BNG e Marea Atlántica opuxéronse á medida. Tamén tres sindicatos, que achegaron informes desfavorábeis ao considerar que "agrava as condicións laborais dos traballadores e favorece os grandes estabelecementos".
O pleno da Coruña acordou esta quinta feira ampliar as zonas de liberdade horaria a Monte Alto, prazas de Lugo e da Galiza e o espazo entre as rúas Linares Rivas e Ramón de la Sagra, que se suman á declaración de Zonas de Grande Afluencia Turística, que xa incluía a Cidade Vella, a zona centro e a contorna de Riazor e Torre de Hércules. Esta solicitude aprobouse cos votos en contra de BNG e Marea Atlántica. O portavoz do Goberno local, José Manuel Lage Tuñas, explicou que esta declaración "non obriga" a mudar os horarios. "É algo voluntario e unha ferramenta para que os propios comerciantes poidan aproveitar os períodos de gran facturación", detallou. A concelleira do PP Nazareth Cendán Gayoso, pola súa parte, puntualizou que a pesar do voto a favor do seu partido esta solicitude está "substanciada polas peticións do comercio local, que non pequeno". BNG e Marea opuxéronse entendendo que a medida empeorará as condicións laborais das e dos traballadores O portavoz do BNG, Francisco Jorquera, xustificou o sentido do seu voto argumentando que esta solicitude conta cunha "rotunda oposición das tres centrais sindicais" que achegaron "informes desfavorábeis" por considerar que esta declaración "agrava as condicións laborais dos traballadores e favorece os grandes estabelecementos". Aliás, Alberto Lema, edil da Marea, engadiu que a súa formación aposta nunha cidade "feita para as persoas e non só para o turismo" e apuntou que esta ampliación horaria vai "en contra da conciliación laboral e familiar". Os períodos contemplados para a ampliación horaria son Nadal, entroido, Semana Santa e verán. Sexa como for, segundo reiterou Lage Tuñas, trátase dunha competencia de ámbito autonómico e é a Xunta a que ten "a última palabra".
NOS_47029
O equipo logra a permanencia grazas ao empate do Real Madrid co Leganés e sen ser quen de gañar fronte a un Espanyol xa descendido.
O Celta fica en Primeira División. E punto. Pouco máis que dicir dun equipo que nestas últimas tres tempadas rendeu por baixo do que se esperaba del e coqueteou co descenso. Tres anos sen aprender a lección. O Celta certificou este domingo a súa permanencia na máxima categoría. E fíxoo máis que por méritos propios (empatou co descendido Espanyol nun partido para arroibar) grazas a que o Real Madrid empartou cun Leganés que fixo méritos sobrados para non descender. Con 37 puntos, o Celta zafou. Dependía de si propio para ficar en Primeira mais semellaba que a cousa non ía con el. A falla sobre o céspede de xogadores como Rafinha ou Nolito non val como desculpa. Até o VAR se aliou cos celestes e anulou un gol do Espanyol. O Celta foi incapaz nos 90 minutos de certificar por si propio a salvación, un triste epitafio para unha tempada para esquecer. "O nivel do celta non pode ser o de pelexar para non baixa", manifestou o adestrador celeste, Óscar García. Mais a realidade é que ese leva sendo o nivel nestas tres últimas tempadas.
NOS_8484
A Xunta vén de reiterar que se Pescanova llo pide, "terá todo tipo de axuda" tanto "económica como institucional". Compromiso expresado unhas horas após que o propio Feijóo xustificase o copagamento en comedores escolares porque "os parados non teñen por qué financiar o menú dos fillos dos que traballan". Mais semella que si que poden financiar o rescate de multinacionais
O primeiro consello de Pescanova após a petición de preconcurso de acreedores pechou en falso: Coas contas de 2012 sen aprobar. E Fernández de Sousa mantense como presidente da empresa, mais ao longo das oito horas de xuntanza ficou patente a división no seo do consello, co segundo e terceiro accionista (Damm e Luxempart) a pedir a súa revocación. Pescanova, iso si, acordou, por unanimidade, "ratificar a liña de reestruturación da súa política financeira", ficando por ver en qué se conreta iso. Nesta sexta, reuniranse en Madrid o medio cento de bancos e entidades acreedoras para tentar atinxir unha postura común en torno a renegociar a débeda de Pescanova, que podería rondar os dous mil millóns de euros. Aliás,nestas horas coñecíase que Fidelity International Limited, un fondo de investimento situado en Bermudas pero xestionado desde unha pequena cidade tejana de Kingswoodde Texas informou da súa entrada como accionista no capital da multinacional. Compromou un 1% da empresa ao adquirir 23.000 accións O flanco institucional, cuberto Mais no medio desta treboada económico-financeira, o presidente da multinacional con sede en Chapela ten un aliado, a Xunta de Galiza. Se ao inicio da crise desde o goberno galego se dixera que ían axudar a Pescanova, sen máis concreción, esta quinta a Xunta reiterou e ampliou ese apoio: "Terá todo tipo de axuda, tanto económica como institucional". Unhas declaracións que, aliás, se fixeron horas despois de que Feijóo xustificase o repagamento nos comedores escolares porque os parados non tiñan por qué financiar o menú dos fillos dos que traballan. Semella, logo, que @s desempregad@s si poden financiar o rescate de multinacionais en dificultades económicas. Fraga xa rescatou Pescanova A mediados da década dos 90, Pescanova atopábase nunha situación de dificultade, tamén acuciada polas débedas (aínda que non tantas como agora). Había o risco de que a empresa caese en mans foráneas, polo que a Xunta de Manuel Fraga iniciou unha operación de rescate que implic40mou a catro consellarías e comprometeu a maior parte do orzamento do Igape. Máis de 40 millóns de euros foron movidos por Fraga para impedir que Pescanoca fose a mans da holandesa Unileven.
NOS_12846
Pasou de ser 125 millóns no primeiro semestre de 2012 a 41 millóns no de 2013. No Estado aumentou até os 8.600 millóns, centrados sobre todo en actividades financeiras e de seguros.
A confianza na economía galega semella non ser tan alta como se sinala desde a Xunta. Nos seis primeiros meses de 2013 houbo unha forte queda do investimento estranxeiro no noso país. Así, se entre xaneiro e xuño de 2012 ese investimento foi de 125 millóns de euros, no mesmo periodo do presente xercicio apenas superou os 41 millóns. Un decsnso do 66%. E, ademais, esa queda foi contraria á tendencia do conxunto do Estado español, onde os investimentos estranxeiros aumentaron no prazo referido nun 11% e superou os 8.600 millóns de euros. Actividades financeiras e de seguro, así como a manufactura, son os sectores preferidos polos investidores estranxeiros, procedentes principalmente de países como Francia, Países Baixos ou Gran Bretaña.
NOS_32338
A carballeira do Souto de Chousa da Porta, en Moneixas (Lalín), acollerá a Foliada da Memoria, para recuperar a lembranza dos artistas represaliados polo franquismo, con Xurxo Souto como mestre de cerimonias.
Constante Moreda, nado en 1894 no barrio de Cabral -daquela no concello de Lavadores,- foi unha lenda da gaita, un dos poucos, senón o único, que lle ganou nun concurso a Avelino Cachafeiro, o mítico gaiteiro de Soutelo. Foi tamén membro fundador do cuarteto Airiños de Cabral, de gran sona na altura. O último concerto que deu Moreda foi nas festas patronais de Santa María de Cabral, o día 18 de xullo de 1936. En decembro dese mesmo anos, sería fusilado xunto co seu pai, seu irmán e varias persoas máis ao pé do vigué monte do Castro. O seu delito fora ser militante do Partido Comunista. Manuel del Río Mandayo, natural de Ordes, tamén era gaiteiro e, ademais, secretario xeral do seu partido, o PSOE, na súa vila natal. Mandayo foi detido e torturado antes de ser "paseado" no cemiterio de Boisaca, en Santiago. O delito de Pastora e Cándida Cordal consistiu en ser irmás de Castor, un electricista que militaba na CNT. A Pastora e Cándida foron sacalas da casa para obrigalas a tocar a pandeireta e a bailar espidas no verán do 36, nun exercicio de humillación frecuente naquel verán. Violacións, rapas e humillacións: a represión de xénero Historias como estas -nas que a crueldade e o horror se mesturan coa aldraxe e a humillación- son as que non se contan e as que os organizadores da Foliada da Memoria -que se celebra hoxe na carballeira do Souto de Chousa da Porta, en Moneixas, Lalín- non queren que se esquezan. Nesta Foliada da Memoria -organizada pola Deputación de Pontevedra a través do programa 'O Pasado Por Vir' do departamento de Memoria Histórica- renderase homenaxe a artistas de música tradicional represaliados polo franquismo despois do golpe do 1936. Xurxo Souto será o mestre de cerimonias que guíe as homenaxes a Constante Moreda, Manuel del Río Mandayo e a Pastora e Cándida Cordal, mais tamén a outras vítimas relacionadas coa música tradicional: o gaiteiro José Gómez Avelaira, á muller de Manuel del Río, Pilar Navieira Golán; á súa irmá Maruja del Río Mandayo e a súa nai, Dolores Mandayo Montero, que gardou para sempre a trenza cortada polos falanxistas. Os Dezas de Moneixas e Xesús Froiz Tamén se homenaxeará aos Dezas de Moneixas, unha agrupación que, malia todos os atrancos, logrou sobrevivir e transformarse nunha das principais referencias da música tradicional galega do século XX. E haberá unha lembranza especial para Xesús Froiz, escritor, xornalista e político que promoveu a formación. El foi o artífice de que os gaiteiros de Moneixas foran por esta época acompañantes de todos os actos do Partido Galeguista, do cal era responsábel en Lalín. Froiz participou nas campañas das eleccións de 1936 e na do Plebiscito do Estatuto. Ao producirse a rebelión fascista do 18 de xullo, foi detido, encarcerado, torturado e, finalmente, asasinado no quilómetro 23 da estrada Chapa-Carril. A festa que nos furtaron A Foliada da Memoria pretende lembrar a todas estas vítimas do fascismo coa alegría que todas aquelas persoas represaliadas eran quen de comunicar, polo que a festa será a guía que oriente a xornada, coa participación de Bandaló, as Pandereteiras Bouba, Os Dezas de Moneixas, Varacuncas e as Pandereteiras de Botos, ademais dos postos de polbo, churrasco, empanada, rosquillas, churros e demais elementos imprescindíbeis nesa festa que continúa e que quixeron furtarnos. Cultura popular para lembrar as vítimas da represión Ademais da música, a Foliada da Memoria terá unha mostra de creación de instrumentos e traxes tradicionais a cargo da asociación de gaiteiros e gaiteiras galegas; un espazo para crianzas con xogos populares mañá e tarde; obradoiros de canto e baile, conducidos por Enrique Viz e Marta Mouriño respectivamente. Por outro lado, Títeres Viravolta porá en escena a obra A nena que regaba a alfabaca e o príncipe preguntón de Federico García Lorca, outra vítima do fascismo. Na arte creada ao límite do horror o inferno é real
PRAZA_9336
Ponte nas Ondas organiza unha emisión conxunta na que varios centros de ensino farán radio en directo. Este ano a celebración está centrada na paz e serve para homenaxear o profesor Xesús R. Jares no décimo aniversario do seu pasamento
Este mércores 13 de febreiro celébrase o Día Mundial da Radio, establecido pola UNESCO en 2013 para conmemorar o nacemento da radio das Nacións Unidas en 1946. Como xa veu sucedendo nos últimos anos, a experiencia educativa Ponte... nas Ondas! levará a cabo unha serie de actividades para celebralo, centradas este ano na Paz, acompañando polo tanto a programación do Día Escolar pola Paz, que tivo lugar o 30 de xaneiro.Varios centros farán radio en directo na mañá deste mércoresPonte...nas ondas! convidou aos centros de Galicia e Portugal a producir contidos para ambas celebracións. Máis de 40 centros de Galicia e Portugal realizaron podcasts para esta celebración e varios deles, ademais, emitirán en directo na mañá deste mércores. Toda a programación emitirase a través do portal Escolas nas Ondas.Entre os programas e directos que se poderán escoitar destacan o que o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas e o CPR Jorge Juan Xuvia de Narón realizarán durante toda a mañá, construíndo así "unha ponte de emisión en directo" entre o norte e o sur de Galicia que será retransmitida en streaming de vídeo.Así mesmo, o CEIP Raquel Camacho de A Coruña celebrará os seus 50 anos cunha emisión de Radio Coruña desde o seu centro. E o CEIP Otero Pedrayo de Vigo estará na emisora de Onda Cero en Vigo realizando o seu programa. Pola súa banda, o CEIP Carlos Casares de Alxén (Salvaterra de Miño), o Agrupamento de Escolas de Valença do Minho e o IES Terra de Turonio de Gondomar estarán na Radio Municipal de Tui. Participarán colexios de Narón, Salceda de Caselas, A Coruña, Vigo ou Valença do Miño, pero tamén radios de Braga, Odemira e mesmo do BrasilMentres, a Radio Universitaria do Minho de Braga emitirá o programa "Galiza mais perto" que semanalmente achega a realidade galega ao norte de Portugal e que ten como sintonía o tema "Máis perto" de Meniños Cantores. Outras emisoras internacionais como Radio Trovadoras do Brasil elaboraron pezas radiofónicas para emitir na xornada, o mesmo que Radio Internacional de Odemira, en Portugal, que tamén se suma ao Día Mundial da Radio cunha programación especial para Ponte...nas ondas!. Finalmente, desde a raia de Extremadura, o IES Loustau Valverde de Valencia de Alcántara (Cáceres), tamén realizou programas para emitir desde em Escolas nas Ondas.Por outra banda, os xornalistas Ana Pérez da TVG e Kiko Novoa da Radio Galega enviaron saúdos para a audiencia de Ponte...nas ondas!Neste Día da Radio dedicado á paz, Ponte...nas ondas! lembrará a Xesús R. Jares, coincidindo co décimo aniversario do seu pasamento. Xesus R. Jares foi profesor da Universidade de A Coruña, formador de formadores, creador e coordinador de programas de convivencia. É autor de libros como Técnicas e xogos cooperativos ou Construír a paz.Ponte...nas ondas! lembrará a Xesús R. Jares, coincidindo co décimo aniversario do seu pasamentoO acto de entrega da II edición do premio "Recoñecemento Suso Jares" emitirase a través do portal escolasnasondas.com. Nesta ocasión foi concedido á Escola infantil Santa Cristina de Lavadores en Vigo e ás bibliotecas escolares. O galardón está organizado por Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e Comarca (FOANPAS) e o grupo de traballo Educadoras/es pola Paz (AGAPPAZ) de Nova Escola Galega (NEG) Ponte...nas ondas! desenvolve obradoiros de radio nos centros educativos e ofrece asesoramento na práctica da radio escolar, "unha actividade que se está revelando como un valioso recurso para fomentar as competencias básicas e mellorar a comunicación e a expresión oral", destacan.
PRAZA_12799
A plataforma renuncia a facer a marcha, pero mantén a convocatoria da foliada reivindicativa, que terá lugar ás once da mañá na Praza do Convento da vila.
A Delegación do Goberno en Galicia non autorizou a manifestación convocada pola Plataforma contra as Fumigacións para este domingo en Melide. Segundo a propia Plataforma, a Delegación "seguramente preocupada pola incidencia dun acto molesto para os plans da Xunta e das empresas responsables das fumigacións" decidiu aplicar o prazo mínimo de solicitude, entendendo que non hai motivos que xustifiquen a urxencia da convocatoria. Mesmo así, os convocantes decidiron manter a foliada reivindicativa que tamén estaba previsto realizar, a partir das once da mañá na Praza do Convento de Melide Mesmo así, os convocantes decidiron manter a foliada reivindicativa que tamén estaba previsto realizar, a partir das once da mañá na Praza do Convento de Melide. A Plataforma presentou o mércores unha denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente e a campaña iniciada nas redes sociais e en actuable para deter o plan da Xunta e a Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón para fumigar as plantacións de eucaliptos dende o aire cun produto prohibido pola UE superou xa as seis mil adhesións.
NOS_10590
O dirixente comunitario comparase a semana pasada Europa cun "xardín" e o resto do mundo coa "xungla".
DiEM25, plataforma política que encabeza o economista grego Yanis Varoufakis , vén de impulsar unha petición para exixir a dimisión do xefe de Asuntos Exteriores da UE, Josep Borrell. Borrell ameaza con "aniquilar" o Exército ruso se usa armas nucleares en Ucraína Esta iniciativa chega despois de que o dirixente comunitario comparase a semana pasada Europa cun "xardín" e o resto do mundo coa "xungla", unhas declaracións que levantaron unha gran polémica a nivel internacional. Na petición sinálase que estes comentarios revelan unha "terríbel mentalidade racista e colonial" que caracteriza os altos estamentos do liderado político europeo. O xefe da diplomacia europea avoga por "rearmar" a UE e prepararse ante unha posíbel guerra A plataforma denuncia que a analoxía feita por Borrell é inaceptábel porque "degrada a millóns de persoas en partes do mundo subdesenvoltas como consecuencia directa do legado colonial de Europa". Declaracións de Borrell Cando fixo esta comparación, Borrell dixo que "os xardineiros" -en referencia aos políticos da UE-, debían coidar o xardín. Borrell apunta a un fortalecemento de Ucraína antes de negociar a paz "A selva ten unha forte capacidade de crecemento e as barreiras nunca serán suficientemente altas para protexer os xardíns. Os xardineiros deben ir á xungla", manifestou alto dirixente europea.
PRAZA_2455
Tarefa urxente é frear o abandono do medio rural, o despoboamento de amplas zonas, a desestruturación poboacional do territorio; perseguindo o equilibrio razoable, harmonizando as competencias cunha axeitada ordenación territorial, con políticas rigorosas e investimentos eficaces.
Venecia, a cidade turística italiana dos canais que nun tempo foi país, afúndese; e Galicia tamén. Galicia tamén se afunde; constatación metafórica que ven motivada pola coincidencia da noticia coa publicación no mesmo día da "radiografía da ordenación territorial da comunidade" e os niveles de saturación do desenvolvemento urbanístico no litoral galego A publicación nun xornal da detención do prestixioso alcalde da cidade italiana xunto con outras 34 persoas por motivos de corrupción, noticia na que o magnífico periodista Pablo Ordaz –antes contumaz co narco mexicano e agora dedicado a exquisitas crónicas vaticanas– describe a sereníssima Venezia como "unha cidade asediada polo turismo e marcada polo despoboamento" (El País, 8 de xuño do 2014), permítenos facer unha serie de reflexións baixo o título referido, que non pretende ser pesimista senón de preventiva advertencia pola constatación dun feito: Galicia –o país das rías– tamén se afunde; constatación metafórica que ven motivada pola coincidencia da noticia coa publicación no mesmo día da "radiografía da ordenación territorial da comunidade" e os niveles de saturación do desenvolvemento urbanístico no litoral galego (Faro de Vigo, 8 de xuño do 2014). Pasaremos por alto a anecdótica coincidencia da detención do alcalde italiano coa dimisión simultánea do alcalde compostelán e do seu equipo de goberno no concello da capital galega –nada menos–, para centrármonos noutros aspectos comúns: o desequilibro territorial e o despoboamento. Vivimos tempos de profundas desigualdades sociais –hai quen di, non sen razón, que nalgúns aspectos volvemos cara o feudalismo da idade media tralo cambio de ciclo do capitalismo, e con ironía debemos sinalar que na nosa terriña tales ciclos e as súas mudanzas son menos perceptibles–, e iso ten o seu reflexo no eido territorial, no asentamento da poboación no territorio (a extensión de terra que constitúe un país, segundo a sinxela e fermosa definición da academia galega da lingua). Na breve análise do esmorecemento da cidade italiana o ínclito periodista alude con datos ó seu vertixinoso despoboamento: 175.000 habitantes na década dos anos cincuenta, e pouco máis de 50.000 na actualidade "onde os seus únicos residentes son ricos riquísimos que só aparecen pola cidade un par de veces ó ano e anciáns illados en casas húmidas de escaleiras empinadas, testemuñas da morte civil dunha cidade ...", nun fenómeno de perda das actividades tradicionais e da poboación que relaciona directamente coa "especulación" e a ausencia de políticas que poñan freo á inercia do desequilibrio: "... segue despoboándose sen que a política local (máis preocupada polos asuntos menos confesables) sexa capaz de encontrar unha fórmula de equilibrio entre a explotación masiva do turismo e a conservación da cidade". Certamente, nunha perspectiva de longo percorrido no tempo, debemos salientar un fenómeno que a realidade cotiá na que vivimos –hoxe máis vertixinosa que nunca– parecería querer negar se non fose obvia: as cidades e os países son realidades que nos transcenden pero tamén son efémeras, teñen o seu decaemento ate desaparecer e converterse en feitos históricos. Namentres iso non ocorre, as sociedades actuais –sometidas a un intenso proceso de globalización e caracterizadas pola estandarización democrática– deben perseguir a preservación dos seus valores intrínsecos (naturais e culturais) e a ventura das súas poboacións, o benestar no seu senso máis amplo. Tendo iso en conta, aproveitando o marco reflexivo que expoñemos (xa que a análise dos fenómenos aludidos, o despoboamento e o desequilibrio territorial, permite –cada día en maior medida– achegármonos a aqueles elementos comúns subxacentes), faremos a continuación unha serie de consideracións encol da ordenación territorial en Galicia, o noso pequeno país no sur periférico do continente europeo. Así pois, non pretenderemos facer unha fonda incursión no eido da xeografía nin tampouco da antropoloxía social, nos que abondan eruditos cualificados, autores de estudos e diagnoses nesas materias con máis méritos co expoñente, senón fomentar a reflexión e o debate á luz das recentes noticias ás que aludimos. Interésanos, pois, o feito noticioso. Ademais da citada "radiografía da ordenación territorial" á que o Faro de Vigo lle dedica espazo destacado na portada e unha páxina no interior que asina o periodista X. A. Taboada, facéndose eco no seu estupendo artigo da realización pola Xunta de Galicia "dun dos estudos máis detallados sobre a ocupación e o uso do solo na comunidade autónoma", engadiremos para a nosa breve e particular análise a recente publicación no mesmo medio –tamén con especial atención– das estatísticas sobre as entidades de poboación en Galicia (Faro de Vigo do 30 de marzo do 2014). Ambas noticias amosan unha realidade moi preocupante: o despoboamento do rural, o desequilibrio territorial, a profunda desestruturación de todo un país entre o abandono da maior parte do medio rural e o deterioro ambiental da franxa costeira Ambas noticias, publicadas no decurso dos derradeiros dous meses e resumidas nas cabeceiras "unha aldea queda baleira cada cinco días e 2.000 xa só teñen un ou dous veciños" e por outra banda "o desenvolvemento urbanístico no litoral amosa niveles de saturación nun terzo dos concellos", amosan unha realidade moi preocupante: o despoboamento do rural, o desequilibrio territorial, a profunda desestruturación de todo un país entre o abandono da maior parte do medio rural e o deterioro ambiental da franxa costeira. Imos coa noticia de hai tan só uns meses, que repite outras semellantes dos últimos anos, agravadas no tempo, e que neste caso trataba no Faro o periodista M. Rodríguez advertindo que "Galicia converteuse nunha fábrica de aldeas abandonadas. Nin a crise, que provocou a volta aos pequenos núcleos, detén a súa desaparición. E é cos que fan as maletas para irse ás grandes cidades e ó estranxeiro son máis cos que afincan no campo. Este éxodo unido ao derrube da natalidade están detrás do aumento continuo de aldeas que se quedan sen un só veciño ... A previsión non é só que non cambie a tendencia nin que se deteña senón que acelerouse nos derradeiros anos". As cifras que recolle a noticia son elocuentes; ademais do titular que sinala que "unha aldea quédase valeira cada cinco días e dúas mil xa só teñen un ou dous veciños", o interesante artigo di que "en Galicia hai 3.474 entidades de poboación que están abandonadas ou a punto de quedarse sen habitantes", e "a provincia de Pontevedra ten 150 lugares nos que non reside ninguén". Nese senso, o periodista explica certeiramente: "Pero o problema non son as 1.539 aldeas abandonadas, que afrontan un futuro nada prometedor salvo que algún inversor estranxeiro merque algunha para logo restaurala. A gran ameaza son os case dous mil núcleos (1.935) no que só viven unha ou dúas persoas". Ó respecto de tales datos é difícil pronunciarse sobre qué resulta máis tremebundo, se as aldeas xa baleiras ou as que están a piques de quedar abandonadas, nas que residen un ou dous veciños de avanzada idade sen ningún tipo de asistencia social na maioría dos casos. Así, para os curiosos das hemerotecas, nas páxinas galegas do xornal citado no inicio viña hai pouco toda unha páxina dedicada á casuística de cómo morren os galegos e as galegas que se atopan nesa situación ("Galicia muere sola", El País 3-maio-2014), poñendo así diante dos números das estatísticas o cru da realidade que agochan cos nomes das persoas, os topónimos dos lugares e as vivencias dramáticas nos derradeiros anos das súas vidas, marcadas ó longo da súa existencia polo traballo estremo e a querenza pola terriña na maioría delas. Remataremos o apunte periodístico da alarmante nova do despoboamento –nada nova– e a publicación das estatísticas, sinalando que o mesmo xornal abondaba na noticia tres días despois baixo o titular da portada "Galicia pide auxilio a Europa polo seu despoboamento" (Faro de Vigo, 3-abril-2014), recollendo no seu interior a xuntanza en Bruselas do Comité das Rexións e a apelación de varias comunidades rexionais polos "graves problemas de despoboamento" que reclamaban "unha estratexia global para o cambio demográfico en todo o territorio europeo e que se dea prioridade, nos actuais presupostos europeos, aos proxectos que freen a caída poboacional". Sendo certo o fenómeno do descenso demográfico e o envellecemento da poboación, que afecta a amplas zonas do continente europeo, o asunto debémolo analizar no caso do noso país dende a perspectiva xa apuntada da desestruturación territorial, dende unha óptica que abordaremos botando man outra vez dos xornais, nos que se publicaba recentemente a "radiografía da ordenación territorial da comunidade" que nos aproxima ao que definimos como "efecto veneciano de afundimento". Así, a noticia sobre a ocupación e usos do solo segundo os datos da administración autonómica resulta igualmente contundente nos titulares que presentaba o Faro de Vigo na súa edición do pasado 8 de xuño: o desenvolvemento urbanístico no litoral amosa niveles de saturación nun terzo dos concellos; en 32 municipios o solo ocupado e urbanizable na costa supera o 25 % da superficie municipal. O desenvolvemento urbanístico no litoral amosa niveles de saturación nun terzo dos concellos; en 32 municipios o solo ocupado e urbanizable na costa supera o 25 % da superficie municipal Para definir o "índice de saturación" de cada concello o artigo remítese ao Plan de Ordenación do Litoral, polo que "se entende que excede o razoable cando a superficie artificial supera o 25 % do territorio de referencia –segundo os estándares de sostenibilidade comunmente aceptados–", para a continuación apuntar que "nesa situación de saturación atópanse 32 concellos da costa (14 na provincia de Pontevedra, 16 na de A Coruña e os 2 restantes na de Lugo) dos 82 analizados, xa que aínda quedan algúns dos que non se dispoñen datos de planeamento". Así pois, a "radiografía territorial" certifica unha saturación da franxa costeira no contexto dunha evidente desestruturación xeral, unha saturación da costa que en certa medida debemos atribuír a fenómenos especulativos, xa que entre os concellos citados destaca que "Vigo, Sanxenxo e A Coruña soportan a maior presión da construción", indicando outros datos certamente reveladores: "o 18,4 % dos pisos están desocupados –incluíndo nesta categoría os destinados a aluguer de curta duración–. Isto significa que en Galicia hai 241.047 vivendas baleiras, segundo o censo elaborado pola Xunta". A "radiografía" resulta novamente tremebunda e a súa diagnoses é de urxencia, por canto temos nesta Galicia completamente desestruturada unha verdadeira Atlántida mergullada, unha cidade –a máis grande– completamente baleira na que os seus fantasmais residentes dispoñen de tódolos servizos urbanísticos pero tributan por debaixo do que deberan (sendo, curiosamente, a provincia de Pontevedra a que no pasado ano rexistrou o maior número de desaloxos por desafiuzamento do norte peninsular). O artigo periodístico remataba cunha declaración de intencións por parte dos autores do estudo estatístico, na liña de anteriores pronunciamentos: "Dende a Xunta sosteñen que estes informes servirán tanto para deseñar un uso eficiente e sostible do solo como para xustificar no futuro a petición de axudas á UE, xa que Bruselas incluirá istos medidores á hora de avaliar a concesión de subvencións e comprobar ós seus efectos". Debemos engadir, pola nosa conta, que as grandes ou pequenas obras ás que aludiremos, dun xeito máis detallado ou tanxencial, neste modesto traballo: a A-57 na contorna de Pontevedra, a A-76 na Ribeira Sacra, o porto exterior e o porto "seco" da Plisan, a liña abandonada do tren de altas prestacións Lugo-Ourense, os traballos hidrográficos en Sarria, o polígono industrial a 1 km. da praia América de Nigrán, ... entre outros moitos exemplos, están feitas con cartos en boa medida procedentes de investimentos europeos. II A ninguén minimamente informado se lle escapa que as obras de infraestruturas están sometidas en moitos casos a intereses espurios e responden a iniciativas pouco meditadas que co tempo amosan a súa deficiente planificación A ninguén minimamente informado se lle escapa que as obras de infraestruturas están sometidas en moitos casos a intereses espurios e responden a iniciativas pouco meditadas que co tempo amosan a súa deficiente planificación. Abondan exemplos, pero por citar dous de plena actualidade compre aludir ao despropósito do porto exterior de Langosteira e tamén, por non saír dos portos, ao "porto seco" de Salvaterra-As Neves coñecido como P.l.i.s.a.n, catro millos de metros cadrados expropiados e explanados que xunto cos nove millóns do tamén abandonado polígono industrial de Morás-Arteixo –outro deserto– fan o noso "aeroporto de castellón" (o paradigma da incompetencia), portos que seguen sumando unha morea de cartos, demasiados para un país probe. Outras caprichosas actuacións de menor rango, recollidas polos xornais nos últimos tempos, resultan aínda máis esperpénticas: por exemplo, o caso da inacabada liña do tren de altas prestacións entre Lugo e Ourense pola variante de Láncara, ou mesmo as actuacións da confederación hidrográfica en Sarria, que foron contestadas cunha eloxiable mobilización cidadá. O empeño recorrente de pretender mover a roda da economía co resorte da obra pública das infraestruturas (principalmente estradas e parques industriais, con outros recursos sempre fáciles, como a minería estragadora ou os oligopolios forestais no noso caso), que se repite dende o desarrollismo español dos anos sesenta, xa caduco, debe ser modificado por outros modelos "produtivos" nun país con graves carencias e, como dicimos, cun enorme problema estrutural da súa poboación. Se algún mérito tivo o goberno anterior foi o tímido intento de abrir outros vieiros no eido da asistencia e a economía social (e no anterior goberno galego o apoio decidido á mellora do medio rural), intentos na actualidade estragados pola crise e a miopía do curto prazo en pleno apoxeo, coa súa lóxica demencial de fagamos algo (obras) aínda que non sirvan para nada (xa que polo menos dan traballo). Resulta perentorio dinamizar o medio rural, non xa por criterios puramente económicos nin tampouco pola recuperación da tradición dunha sociedade ate ben pouco fondamente rural, senón pola propia subsistencia como país equilibrado Resulta perentorio dinamizar o medio rural, non xa por criterios puramente económicos nin tampouco pola recuperación da tradición dunha sociedade ate ben pouco fondamente rural, senón pola propia subsistencia como país equilibrado. Velaí, as portas do verán, outro ano máis na espera dos lumes forestais cuxa extinción absorbe boa parte dos orzamentos rurais, lumes case que interiorizados pola xente como inevitables (outra faciana da desordenación territorial). Galicia arde e nun mesmo tempo metaforicamente afúndese, como Venecia, presa do asedio turístico e o despoboamento. Os modelos agrarios dos anos setenta e oitenta –baseados na migración do excedente humano– xa non valen, son a prehistoria. Incluso os bancos de terras xa son propostas antigas. A porcentaxe de terreos de titularidade descoñecida medra cada ano, tamén na contorna dos grandes núcleos urbanos. Urxe unha verdadeira reforma agraria integrada nunha eficaz ordenación territorial. A colectivización (a colonización colectiva) é máis necesaria que nunca. III Hai un par de semanas estaban uns veciños da Ribeira Sacra na Feira do viño de Ferreira de Pantón cunha mesiña repartindo unhas folliñas informativas e recollendo firmas en contra da autovía A-76 polo "desastre medioambiental que suporía levar a cabo o trazado e que implicaría a destrución do tecido social, cultural e económico do entorno, en trámite para ser nomeado Patrimonio da Humanidade pola Unesco ... a autoestrada agrede ao entorno da Capela da Costria, atravesa polo medio a localidade de Penalba con dous túneles e un paso elevado; deixa sobre un barranco as aldeas de Pereira, Forraqueira, Barxela, Vilanova, Casdecid, A Seara e Souto do Chao e abre novas estradas en Penalba, O Val, Forraqueira e Nespeira. O Coitelo queda entre dous viaductos e haberá unha nova ponte sobre a desembocadura do Sil en Peares" (iso só no Concello de Nogueira de Ramuín). A proclama veciñal, asinada por "unha Plataforma apartidista", fálanos dos valores colectivos "ese patrimonio histórico que tantos séculos costou construír ... lugares de excepcional beleza", e co "desamparo por parte das autoridades locais" diríxese ao Ministerio de Fomento invocando "alternativas máis ecolóxicas, económicas e sensatas". Coñecendo esa zona xeográfica, as súas comunicacións actuais, e tamén as inercias que moven este tipo de obras concibidas a modo de corredores alleos ao medio que atravesan, debemos pensar que o relato rotundo de tales estragos, no suposto da súa execución, resulta verídico e a defensa do colectivo amosa estar chea de sentidiño. É ben sabido que as melloras das estradas non só permiten chegar antes senón tamén marcharse máis axiña. As políticas territoriais necesarias, diríamos que inaprazables, son outras con investimentos eficaces nunha axeitada ordenación territorial. Por dar un dato curioso, o municipio de Pantón no que tiña lugar o evento é, segundo as estatísticas de poboación, unha das entidades más envellecidas do mundo xunto co limítrofe de Sober, revitalizados nos últimos anos –vaia como anécdota– polo asentamento de xente procedente doutros países europeos, principalmente ingleses. De non ser polo pulo da viticultura nas últimas décadas, o panorama sería aínda moito máis desolador. IV Nese contexto viario, dedicaremos finalmente a nosa atención a autovía A-57 que se promove como alternativa libre de peaxe á Autopista do Atlántico AP-9 proxectada en paralelo na cabeceira das rías de Pontevedra e Vigo, da que todos somos afectados porque se pretende acometer con fondos públicos e porque causaría un notable impacto ambiental no patrimonio de tódolos galegos. A referida autovía A-57 responde a un vello proxecto para conectar a AP-9 no nó de Curro/Barro (ao norte de Pontevedra) coa A-52 entre Vigo-Ourense á altura do Confurco en Ponteareas (saída cara a Madrid), cunha lonxitude total de 64 qm. a executar en diferentes tramos que atravesarían os municipios de Pontevedra (rodeando a cidade polo leste), Vilaboa, Soutomaior e Pazos de Borbén, e incluíndo un enlace en Vilaboa cunha tripla conexión de novo coa AP-9, a estrada N-550 e a futura autovía A-59 ao Aeroporto de Vigo por Redondela (autovía recentemente suprimida, segundo as noticias que citan ao Ministerio de Fomento, da que se chegaron a estudar ate 56 alternativas do trazado no ano 2008, cunha ampla oposición veciñal). Numerosas voces se inclinan con lóxica pola liberalización da peaxe na autoestrada AP-9 Un vello proxecto o da A-57, como dicimos, rescatado do caixón para –entre outras razóns que se esgrimen– darlle ós pontevedreses a "circunvalación" da que se di que carecen; afirmación que debemos cuestionar e que ademais non ten en conta cos tempos cambiaron. Así, numerosas voces se inclinan con lóxica pola liberalización da peaxe na autoestrada AP-9 (verdadeira circunvalación do eixe norte-sur polo oeste de Pontevedra no límite con Poio, por onde o tránsito de vehículos é maior cara a franxa costeira), sucesivamente prorrogada na súa concesión nos últimos anos e cunha importante redución do tráfico de vehículos na actualidade (coa que por riba competiría o novo vial), que ademais está inmersa nunha obra –a ampliación da ponte de Rande– que finalmente pagarán os usuarios (non todos, xa que como é sabido, os veciños da península do Morrazo foron liberados hai tempo da peaxe por conta de ampliar a concesión para o resto que pagan unha das tarifas máis caras da rede estatal). Así pois, no colmo do disparate, a autovía en cuestión conectaría a AP-9 no enlace de Barro/Curro coa AP-9 no enlace de Vilaboa (xa conectados dabondo polo percorrido máis curto), cun corredor de catro carrís cun severo impacto ambiental que se publicita como "circunvalación", e que no referido enlace de Vilaboa continuaría cara o enlace do Confurco en Ponteareas para –segundo argumentaba algún xornal hai case unha década– sacar a Pontevedra do seu illamento (Correo Gallego, 24-novembro-2006), cando ademais da ampliación da ponte de Rande, xa en curso, o ministerio tamén anunciaba recentemente para o eixe existente a construción do túnel de Mos no tramo Vigo-Ourense ao seu paso polo Aeroporto de Peinador. O primeiro tramo que pretende executarse da A-57 entre Vilaboa e A Ermida da parroquia de Marcón, no leste do termo municipal de Pontevedra, está sendo fortemente contestado pola opinión pública cunha oposición frontal de diversos colectivos O primeiro tramo que pretende executarse da A-57 entre Vilaboa e A Ermida da parroquia de Marcón, no leste do termo municipal de Pontevedra, está sendo fortemente contestado pola opinión pública cunha oposición frontal de diversos colectivos, entre eles a denominada Plataforma SALVEMOS A FRACHA, xa que a autovía causaría gran impacto na Serra da Fracha cuns valores naturais de notable relevancia. A Plataforma sostén ca autovía é practicamente inútil ou cando menos ten un dubidoso proveito xa que non permite comunicar as catro parroquias que atravesaría ese primeiro tramo, sen poder ir de Marcón a Tomeza, nin de Tomeza a Bértola, nin de Bértola a Figueirido, e ilo cun custe ambiental elevado, e ademais cando tampouco é útil para os veciños do casco urbano de Pontevedra xa que terían que desprazarse 7 qm. pola estrada N-550 para collela no enlace de Vilaboa. A obra produciría un enorme impacto ambiental Por contra, a obra produciría un enorme impacto ambiental, que só nese primeiro tramo podemos resumir do xeito seguinte: na hidrografía da zona, principalmente nos afluentes do río Gafos, que atravesa Pontevedra e desemboca no mesmo casco urbano, e na flora e fauna do seu importante ecosistema (existen interesantes estudios ambientais ao respecto). no patrimonio histórico: no Camiño de Santiago (afectado tamén polo enlace de Vilaboa), no castro A Farexa-Coto Loureiro (en bo estado de conservación e con "numerosísimo folclore", segundo o propio estudio ambiental), na Vía Romana XIX (promovida cun importante investimento pola Deputación), e no Camiño Real pola Ruta dos Arrieiros, entre outros elementos do noso patrimonio histórico e etnográfico tronza o lugar de Pintos cunha grave incidencia nos seus pozos e traídas de uso doméstico e pecuario, e nos acuíferos para rega dos cultivos agrícolas –as derradeiras estatísticas confirman, en xeral e tamén neste lugar, o retorno ao abandonado–. incide seriamente na Serra da Fracha, a montaña de Pontevedra que comparte co municipio limítrofe de Ponte Caldelas, constituíndo unha barreira que afasta a cidade do resto da Comarca de Pontevedra. A Plataforma entende que debe ser outro tipo de vial, como a denominada rolda, o que dea servizo ao tráfico no leste da cidade, que teña en conta o entramado do poboamento periurbano e o seu medio rural; rolda que constituía hai tres anos unha aposta forte do goberno local de Pontevedra, que xa é unha realidade noutras cidades galegas. Certamente, o movemento social de oposición á autovía (que aglutina diversos colectivos como a Asociación Vaipolorío e mesmo a Sociedade Galega de Historia Natural, entre outros), cunha notable presenza nos medios dende a anómala exposición do estudio de impacto ambiental hai un par de meses, adquiriu un pulo considerable que emerxe nas catro parroquias afectadas polo primeiro tramo e se estende pola cidade e resto da comarca, collendo a contra pé ao Concello de Pontevedra ("certa sorpresa" municipal ante o rexeitamento, titulaba o Faro de Vigo do pasado 15 de maio a incidencia da mobilización veciñal na entidade municipal), que recentemente acordou apoiar a polémica obra se ben con matices, xa que o goberno local pediu ao Ministerio de Fomento medidas correctoras que minoren o seu impacto ambiental ("entre esas medidas correctoras a principal proposta municipal é que se aposte polo trazado en túnel na maior porcentaxe posible"), o que loxicamente incrementaría o custe dunha obra cos opositores definen como innecesaria ou cando menos de dubidosa utilidade fronte ao seu enorme impacto. "Póñennos vostedes nunha situación moi difícil" replicou no pleno o concelleiro de Infraestruturas aos membros da Plataforma, engadindo que a "circunvalación" era una reivindicación municipal dende hai 15 anos, e que non sería "serio" rexeitala agora, sendo Pontevedra a única cidade galega que carece dela. Trátase pois, senón dunha rectificación sempre difícil, polo menos da necesaria adaptación aos tempos que corren cheos de recortes (na sanidade, na educación, na investigación, etc.), recuperando un discurso político incomprensiblemente esquecido: o goberno local "reafirma de forma rotunda a necesidade de que a cidade dispoña dunha rolda urbana polo leste que sirva de alternativa a todo o tráfico que actualmente transita pola ría" dicía hai tres anos o mesmo concelleiro de Infraestruturas (Faro de Vigo, 30 de novembro do 2010). Certamente, a necesidade viaria de Pontevedra é a rolda, xa que a autovía A-57 proxectada non vai resolver os problemas de tráfico do leste do casco urbano de Pontevedra; e os tempos non están para duplicar alternativas. Non si, o mesmo voceiro municipal xustificaba recentemente o cambio de actitude e a aposta por "outras obras que están en carteira" argumentando a coincidencia do trazado da rolda e da autovía no tramo do leste cara o norte ("na parte norte a diferenza é mesmo mínima"). A autovía promóvea o Ministerio de Fomento (organismo que recentemente anunciaba a terceira rolda da Coruña), e a rolda de Pontevedra é unha iniciativa da Deputación Provincial que cunha actuación moi limitada pretende cubrir a carencia viaria pontevedresa. En calquera caso, tal duplicidade resulta verdadeiramente inaceptable, pero ademais debemos salientar que son conceptos viarios diferentes: a rolda permite a interconexión do entramado periurbano e a autovía que chaman "circunvalación" é un corredor de catro carrís cun menor servizo para Pontevedra e cun maior impacto ambiental ao que debemos engadir o "súper nudo" do enlace de Vilaboa. O debate está servido; nese senso, aínda que a autovía sexa unha obra supramunicipal promovida polo ministerio, que non pode permanecer alleo á cuestión, parece lóxico que a polémica teña o seu foro nas entidades locais involucradas, e obviamente tamén na rúa. O impacto ambiental da obra, proxectada con taludes de 60 m. (a altura dun edificio de 17 plantas) e unha glorieta que supera os 120 m. de diámetro na conexión coa estrada de Ponte Caldelas (case o dobre da praza de touros), ao pé da Serra da Fracha, está sendo divulgado pola Plataforma –que xurdiu con ocasión da anómala tramitación administrativa da avaliación ambiental– xunto co resto de colectivos de recoñecida traxectoria ecoloxista, que apelan á sensibilidade ambiental dos pontevedreses xa demostrada noutros eidos. En definitiva, trala modélica recuperación da mobilidade no casco urbano, son os cidadáns de Pontevedra xunto co resto de veciños da comarca os que deben pronunciarse sobre se ese é o rural que queren na súa contorna. A inacción da maioría dos concellos involucrados no asunto que tratamos, con posturas entre o mutismo e o seguidismo dos colectivos veciñais afectados –agás o Concello de Pontevedra que mantén unha postura propia–, lévanos a unha terceira reflexión por canto denota a incapacidade para abordar a problemática dende unha perspectiva local, evidenciando unha notoria falta de medios (manifestamente insuficientes nos concellos netamente rurais, maiores na capital). En tal sentido, resulta ilustrativo facer un breve inciso histórico sobre un aspecto de permanente actualidade nos nosos días, como é a auspiciada agrupación de axuntamentos, sen éxito. Así, tal cuestión non é nova segundo nos documentan os arquivos históricos sobre "división territorial" que conteñen datos curiosos moitas veces ignorados que interesa divulgar, xa que, por exemplo, a primeira iniciativa dirixida á integración dos termos municipais de Pontevedra e Vilaboa, con parte das súas respectivas parroquias, remóntanos ó ano 1853, e a derradeira é do ano 1961 (leg. núm. 8.217/5 do arquivo da Deputación), e no caso doutros municipios polos que se proxecta agora a mesma autovía (Soutmoaior e Pazos de Borbén), resulta que estiveron a piques de integrarse mediante un "expediente de redución de municipios" no ano 1868 coa capital na parroquia de Moscoso, sen que tal iniciativa finalmente prosperara (leg. 389/23). Tales cuestións resultan de interese porque nos axudan a comprender o panorama actual de abandono en moitos dos municipios rurais, ó manter unha distribución que practicamente é a mesma que foi na súa creación coa "nova planta dos axuntamentos constitucionais" do ano 1835 mediante a agrupacións das demarcacións parroquiais preexistentes, cuxa entidade social (non xurídica) permanece case douscentos anos despois sen o debido recoñecemento. Certamente, tralos importantes cambios sociais, tecnolóxicos e de toda índole nese período, o entramado municipal permanece case inalterable sen que a súa modificación sexa asumida dunha maneira seria; falta vontade política máis que diñeiro, porque menos había no 1835 cando o liberalismo deulle vola e media á ordenación territorial liquidando os cotos e xurisdicións do réxime señorial. Así as cousas, as sucesivas políticas de ordenación territorial nos últimos tempos sobre a base das comarcas e as súas parroquias, xustapostas ós axuntamentos e deputacións, debemos definilas como un fracaso que nin tan sequera é obxecto de debate na actualidade. V Para rematar a análise témonos que referir ó ámbito competencial dos diversos organismos implicados no eido das vías de comunicación e medios de transporte sen deixar de advertir certa arbitrariedade nas iniciativas que se acometen dende cada un deles. Así, aludíamos antes aos traballos que sobre a "rolda de Pontevedra" leva adiante a Deputación Provincial, que na maior parte do seu trazado ao leste e norte ven a coincidir coa traza proxectada da autovía A-57 en cuestión, dependente do Ministerio de Fomento, corrixida nalgún tramo pola antes denominada Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas (abondan exemplos nos que resulta difícil chamarlle Consellería de Medio Ambiente –denominación abreviada agora de uso frecuente–, pola escasa sensibilidade ambiental dun organismo que reúne tales materias, as obras públicas e o medio ambiente, agrupadas coa pretensión dunha suposta eficacia administrativa que contrasta coa dispersión competencial á que aludimos, e na que agora se pon á fronte a quen foi directora da Axencia Galega de Infraestruturas, noutro signo perverso do que definimos como afundimento veneciano; lonxe, moi lonxe do que parecería normal, co posto fose ocupado por unha persoa de traxectoria relevante niso, no medio ambiente). O tema competencial e o asunto das comunicacións nesta poboada zona xeográfica á que lle dedicamos a nosa atención non se esgota loxicamente cos aspectos expostos de modo tan resumido, sobre a cuestión da rolda (que, como dicimos, en Pontevedra fará a Deputación Provincial, en Lugo fixo a Consellería da Xunta de Galicia na súa maior parte, e na Coruña anunciou o Ministerio de Fomento a súa terceira rolda), e mesmo sobre as iniciativas das obras no eixe existente, como a ampliación da ponte de Rande e o túnel de Mos (que no derradeiro período electoral anunciaba tamén a ministra), debendo necesariamente facer unha alusión aínda que sexa breve aos medios públicos de transporte entre Pontevedra e Vigo, entre a capital da provincia cunha clara vocación de servizos en xeral, moi ligada ao relacionado co aparato administrativo (sede de moitos organismos provinciais), e a cidade galega máis populosa e industrial, entre as cales, separadas a escasos 30 km., non existe conexión ferroviaria de cercanías cunha razoable frecuencia no tránsito por incrible que poida parecer (carencia que tampouco vai solucionar o AVE), e que resulta ser unha competencia do goberno central. Nese senso, a propósito da ampliación da ponte de Rande, tampouco podemos deixar de mencionar brevemente a deficiente comunicación marítima do transporte na ría de Vigo, neste caso dependente do goberno autonómico, entre a urbe industrial e os núcleos urbanos da península do Morrazo (que deberían dispoñer entre eles dun transporte terrestre interurbano en mellores condicións), constituíndo a vía marítima unha alternativa de transporte colectivo que nos derradeiros anos foi desatendida en favor dos medios de comunicación particulares terrestres, pola ponte que agora se quere ampliar. Así mesmo, no eido compentencial debemos engadir, como exemplo, o estudo recentemente acometido pola Deputación Provincial –cunha partida orzamentaria– para a implantación dunha liña de "ferry", que quedou esquecido tralo importante investimento para financiar o traballo de enxeñería. O desvarío competencial nas infraestruturas viarias e de transporte témolo que estender ós parques industriais, nos que xa citamos algúns exemplos ilustrativos, entre eles o polígono industrial de Salvaterra-As Neves (P.l.i.s.a.n) promovido pola Autoridade Portuaria de Vigo (Ministerio de Fomento), Xestur (Xunta de Galicia) e Zona Franca, paradigma da incompetencia sistematicamente rexeitado na súa deficiente tramitación administrativa polas sucesivas sentencias dos tribunais de xustiza. Precisamente, respecto a este último organismo, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, cuxa orixe garda relación cun réxime aduaneiro especial doutros tempos que ten un forzado encadre no actual contexto europeo, interesa facer unha brevísima mención –sen tempo nin espazo para un merecedor monográfico– sobre a súas actividades na promoción empresarial e fomento dos parques empresariais, cunha especial repercusión no que vimos definindo como efecto galego do fenómeno veneciano de afundimento polo desequilibrio territorial, que exemplifica o anacronismo das competencias no territorio e a saturación irracional da franxa costeira. Cunha dotación de medios que xa quixeran moitos organismos, a súa sede central atópase no recheo de Bouzas dos anos setenta, de triste recordo para os veciños desa vila. A súa penúltima actuación, a execución do parque empresarial "Porto do Molle" en Nigrán de un millón de metros cadrados a menos dun 1km. da Praia America mesmo na cunca hidrográfica do río Muíños co atravesa, véndese como vangarda de respecto ambiental (edificacións tecnolóxicas con naves bioclimáticas e aforro enerxético, etc.), e na práctica constitúe un claro exemplo de urbanismo terceiromundista, unha actuación lamentable cunha localización moi desafortunada e penosa zonificación (industrial, comercial e de ocio); un verdadeiro disparate anunciado e denunciado por un grupo minoritario de ecoloxistas, a perda de capital natural cunhas especiais condicións de vexetación e hidrografía, nun entorno poboacional estruturado cun notable valor na paisaxe, que evidenciou o fallo dos meca-nismos de control (o organismo ambiental competente cambiou a declaración ambien-tal inicial, restritiva na franxa do río, en base a información e datos claramente erróneos facilitados pola entidade interesada), ante o desinterese do conxunto da veciñanza e a anuencia do goberno local; espazo baleiro, entre o viario urbanizado a carón das naves industriais, hoxe dedicado a un festival musical ó aire libre e ó campismo como actividade principal no verán. Lamentable. Co parque empresarial e de ocio de Nigrán medio desocupado, e co da P.l.i.s.a.n. en Salvaterra- As Neves "en desarrollo" dende hai máis de dez anos, o organismo está agora inmerso na execución doutro parque empresarial nas parroquias limítrofes de Comesaña-Matamá-Valadares en Vigo, cun contencioso diante do Tribunal Supremo por canto os veciños afectados parecen non estar dispostos a renunciar ós valores naturais dos seus terreos de aproveitamento colectivo. Corolario Tarefa urxente é frear o abandono do medio rural, o despoboamento de amplas zonas, a desestruturación poboacional do territorio Tarefa urxente é frear o abandono do medio rural, o despoboamento de amplas zonas, a desestruturación poboacional do territorio; perseguindo o equilibrio razoable, harmonizando as competencias cunha axeitada ordenación territorial, con políticas rigorosas e investimentos eficaces. Os actuais tempos de crise son doados para iso. Nese contexto, os plans da rede viaria deben priorizar o respecto ambiental polo territorio, evitando as alternativas múltiples nas vías de comunicación e transporte con percorridos semellantes das estradas, cunha axeitada promoción dos medios públicos.
PRAZA_9904
O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, di na Mariña lucense que "as enquisas van moi ben, pero non queremos gañar as enquisas, queremos gañar as eleccións, e non nos podemos confiar"
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero percorreu este xoves a Mariña lucense con senllos actos en Viveiro, Burela e Foz, uns encontros nos que reiterou unha das ideas que os socialistas están a repetir nesta campaña electoral: o perigo de que a dereita chegue ao poder e que o faga a través dun acordo coa ultradereita de VOX."Se todos os progresistas nos mobilizamos agora, marcaremos un cambio de tempo político en Galicia"Caballero chamou a unha "mobilización masiva" para que "ninguén quede na casa" o 28 de abril e alertou do "risco de involución" que suporía un acordo do PP con VOX. O líder dos socialistas galegos subliñou que "cada voto ao PP é un voto para que Vox e a ultradereita poidan decidir o futuro do país"."As enquisas van moi ben, pero non queremos gañar as enquisas, queremos gañar as eleccións, e non nos podemos confiar", dixo Caballero, que destacou que "o partido de Feijóo está pinchando nesta campaña", de xeito que "se todos os progresistas nos mobilizamos agora, marcaremos un cambio de tempo político en Galicia" que permitirá dicirlle a Feijóo que "o seu ciclo chegou á súa fin"."As galegas e os galegos non queremos ningún acordo coa ultradereita á que o PP lle esta a abrir as portas"Unhas mensaxes semellantes ás que lanzara este mércores pola noite en Camariñas e Cee, onde dixo que "as galegas e os galegos non queremos ningún acordo coa ultradereita á que o PP lle esta a abrir as portas". Caballero esixiulle a Núñez Feijóo que "faga rectificar a Casado na súa disposición a pactar coa ultradereita".A maiores, Gonzalo Caballero fixo fincapé en que "o PP está convertido na casa da confusión", pois "un día un di unha cousa e outro di outra; de repente o exemplo da moderación era Suárez Illana e logo sae falando do aborto e dos neandertais; outro día a candidata por Barcelona sae dicindo calquera cousa disparatada; o que di Feijóo non coincide co que di Casado, o que di Rajoy non coincide co que di Aznar…".
NOS_15163
Desta volta a organización corría a cargo da plataforma Que Voltem para a Casa.
Dous autocarros ateigados de activistas -solidari@s é o termo que está a empregar a plataforma- deslocáronse este sábado 18 de Xaneiro a Asturias e León -expedición norte- e Madrid (Estremera, Aranjuez) e Salamanca (Topas) -expedición sul- para, perante as prisións nas que se achan os presos independentistas galegos, exixiren o seu retorno a Galiza, isto é, a fin das políticas de dispersión. A VIII Marcha das Cadeas produciuse sen calquer incidente e as e os activistas aderentes a ela portaron bandeiras patrióticas e simboloxía nacionalista e non desaproveitaron a oportunidade para, face os muros das prisións, entoaren cantos independentistas, ben como o Hino Nacional galego. A marcha desenvolveuse co lema xenérico de Até que nom voltem eles iremos nós. Os presos independentistas cumpren condena após a Audiencia Nacional española ter sentenciado a súa pertenza a Resistencia Galega (embora eles, durante o xuízo, teñan recusado pertencer a calquer organización armada e teñan afirmado o seu compromiso coas vías exclusivamente pacíficas e democráticas). O nacionalismo galego, quer o político quer o sindical, vén defendendo o fin da dispersión dos presos independentistas por considerar que a súa estancia fóra do país é unha conculcación dos seus direitos fundamentais, ao profundar o seu desarraigo social e tornar máis difícil a súa reinserción, obxectivo que debe ser prioritario en calquera política penitenciaria dun Estado democrático digno de tal nome.
NOS_28790
As formacións políticas encetan a recta final cara á configuración das candidaturas coas que concorrerán ás europeas en 2014. EH Bildu, BNG e ERC poderían candidatarse de maneira conxunta nunha coligación aberta tamén ás CUP, Nós-UP, Anova, PSM ou Solidaritat, entre outros.
A piques de entrar na recta final do ano as formacións políticas que concorrerán ás eleccións europeas do vindeiro mes de maio inician a última rolda de contactos para configurar candidatura. Á espera de que formalmente fechen as coligacións electorais, todo apunta a que as forzas soberanistas que actúan no Estado español concorrerán de maneira conxunta nunha mesma candidatura. Porén, a proposta dunha "fronte ampla" impulsada por Izquierda Unida sitúa a algunhas formacións na encrucillada, entre elas, Anova. Nestas europeas podería repetirse a candidatura da Europa dos pobos mais coa incorporación doutras forzas como as que integraron Iniciativa Internacionalista Co dereito a decidir e o proceso de transformación social como alicerces básicos, a coligación EH Bildu anunciou esta terza feira que repetirá a mesma fórmula electoral de pasados procesos. Desta maneira as forzas que integraron Bildu nas municipais, Amaiur nas eleccións a Cortes españolas e EH Bildu ao Parlamento basco volverán presentarse de maneira unitaria e suman, desta volta, unha forza máis: Alternatiba. No entanto, as europeas exixen da procura de maiores alianzas, habida conta da existencia dunha única circunscrición electoral de carácter estatal. Neste senso, todo apunta a que volverá a se repetir a coligación da Europa dos Pobos que nos comicios de 2009 obtivo 394.938 votos, mais á que se sumen tamén outras organizacións que noutrora concorreron baixo outro nome como Iniciativa Internacionalista. Formacións que partillan relacións políticas históricas, embora posuír unha traxectoria politica propia. Dereito a decidir e transformación social A proposta lanzada por EH Bildu, BNG e ERC alicérzase sobre dous eixos fundamentais: o dereito a decidir das nacións sen Estado e a loita por unha sociedade máis equitativa. Así o expresaron as portavocías das tres formacións como elementos chave para a configuración dunha candidatura ampla ás europeas. Se ben, cumpre sinalar, as dinámicas internas de cada nación exixiu do desenvolvemento de roldas de contactos propias encamiñadas a artellar proxectos políticos propios que abranguesen as distintas forzas que actuando de maneira separada, compoñen o espectro do soberanismo político. Catalunya non terá unha candidatura independentista, segundo confirmou o deputado Joan Tardá Neste senso, tanto o Bloque como ERC procuraron artellar unha candidatura unitaria das forzas nacionalistas na Galiza e Catalunya. Porén, nesta última "non é posíbel" asegurou en declaracións a un medio de comunicación basco o deputado republicano no Congreso español, Joan Tardá. No caso da Galiza, fica por ver cal é a resposta final á candidatura unitaria lanzada polo BNG e á que están chamad@s "todas as organizacións nacionalistas" que teñan, afirmou Xavier Vence, "o seu centro de decisión" no país. Desta maneira a organización frontista desbotaba a proposta defendida por Anova, na que non se exclúe o acordo con Izquierda Unida, formación á que @s de Beiras sitúan na esquerda rupturista. Anova terá que decidir se integrará a candidatura impulsada polo soberanismo ou se, en troca, decidirá finalmente integrarse na pilotada por Madrid Proposta que foi formulada, tamén, a organizacións soberanistas, mais que non obtivo resposta das nacións sen Estado cuxas organizacións políticas propias visan a confluencia de "todo o movemento independentista" basco, catalán e galego, salientou Joan Tardá, en relación ao que denominou como "alianzas con nacións irmás". Un bloque soberanista para dar voz aos pobosAsí as cousas, semella que finalmente serán dúas as propostas que callen --para alén do tradicional bipartidismo. Unha candidatura soberanista que mesmo podería abranguer por vez primeira forzas que tradicionalmente concorreron por separado como ERC, CUP, Solidaritat, BNG, Nós-UP, PSM, EH Bildu, Izquierda Castellana, Red Roja ou Independentista de Cuchas (Aragón). E outra que pasaría pola adhesión á proposta lanzada por IU e que na Galiza tivo a súa recollida por parte de Anova. A formación d@s de Beiras terá que decidir se finalmente integrará a candidatura impulsada polo soberanismo ou se, en troca, decidirá finalmente integrarse (xunto a Esquerda Unida) nunha listaxe basicamente pilotada e liderada desde Madrid.
NOS_17513
O partido pro-curdo reclama á UE que a crise de persoas refuxiadas non tape os asasinatos cometidos polo exército turco.
"Están a matar crianzas, mulleres e persoas idosas", asegurou en comparecencia de imprensa desde o Parlamento europeo Osman Baydemir, dirixente do HDP e exalcalde da capital do Curdistán Norte para denunciar as negociacións que mantén Bruxelas co goberno de Tayypi Erdogan a respeito do proceso de adhesión de Turquía á UE no marco da crise de refuxiad@s. Ankara negocia coas institucións comunitarias acelerar a súa incorporación á organización internacional a cambio de que se torne nun tapón que free a entrada de persoas refuxiadas procedentes de Siria, Afganistán e Iraq. "Están a alentar unha guerra contra nós" atacando a poboación civil con canóns e artillería" Para Osman Baydemir as persoas deslocadas forzosamente están a ser empregadas como "moeda de troco" e reclamou que este feito non oculte os "crimes" contra o pobo curdo. "O acordo sobre refuxiados non debe enmascarar esta masacre", denunciou. "Cada día hai novas vítimas", dixo o dirixente do HDP após dar conta de que "162 civís perderon a súa vida, incluído un bebé de tres meses e un ancián de 82 anos", para alén dunha muller grávida. Todos os asasinatos producíronse en territorio curdo e desde o HDP aseguran foron cometidos polas "forzas especiais" que "están a alentar unha guerra contra nós" atacando a poboación civil con canóns e artillería. "Isto é un crime contra a humanidade". "Isto é un crime contra a humanidade" Osman Baydemir denunciou mesmo a existencia de "equipas de execución, escuadróns da morte, pódese dicir, que son moi activos", explicou. "Son xente con barba que parece da organización do Estado Islámico. Hai rumores de que esta xente foi adestrada deliberadamente", unha acusación que lanza contra o goberno de Tayyip Erdogan, xunto coas "detencións arbitrarias de 30 alcaldes do HDP". Ao executivo turco exixen que "deixe de atacar a súa propia xente con artillería e tanques" ao tempo que o instan a sentar "na mesa de negociación" á fin de re-iniciar os diálogos de paz co PKK. Así mesmo, instan a UE a actuar como "socio terceiro" ou "intermediario".
NOS_29353
Resulta que toda a sustentabilidade dependía en realidade de queimar petróleo ou gas e agora o que está en xogo non é sequera a sustentabilidade das diferentes actividades, senón as actividades en si mesmas. Particularmente preocupante é pensar que a agricultura, a gandaría e a pesca dependen de inxentes cantidades de enerxía.
Sostíbel era o apelido que se lle puña a toda canta actividade, pública ou privada, houbese. Así, a agricultura era sostíbel, a gandería, a pesca, o transporte, o turismo, a economía, as empresas… incluso o desenvolvemento era sostíbel! E a caza! Como ocorre con máis frecuencia do desexado unha idea é degradada polo uso popular cando non por unha mercadotecnia perversa que, nesta ocasión, trataba de pintar de verde todo canto faciamos. En definitiva, lavar conciencias colectivas ou individuais, as trampas ao solitario. Bastou unha lixeira subida do prezo dos combustíbeis para que todo aquilo que era, aparentemente, sostíbel deixara, de pronto, de selo. O lugar común ou a desculpa esgrimida para esta suba é a invasión rusa de Ucraína e as consecuencias, buscadas ou non, desta situación. Pero a realidade é que o peak oil (o pico da extracción de petróleo) foi no ano 2006, como recoñeceu a Axencia Internacional da Enerxía en 2010. Resulta que toda a sustentabilidade dependía en realidade de queimar petróleo ou gas e agora o que está en xogo non é sequera a sustentabilidade das diferentes actividades, senón as actividades en si mesmas. Particularmente preocupante é pensar que a agricultura, a gandaría e a pesca dependen de inxentes cantidades de enerxía. É dicir, sen gasóleo para tractores, barcos e camións de transporte, non temos sector primario, e polo tanto a seguridade alimentaria está condenada. É máis, sen gas non temos acceso a abonos nitroxenados, polo que se impón volver, en tempo récord, producir con abonos de orixe animal, en definitiva, volver unir o que nunca debeu separarse: a dependencia da agricultura da gandaría. Pero aínda así, se todo fose moi ben, habería outro problema a maiores: como distribuímos os alimentos entre a poboación? Hoxe podemos intuír o que pode pasar co paro do transporte que estamos a ver. Chegamos así a un dos piares ignorados da famosa sustentabilidade: a proximidade. Non podemos seguir pensando en producir e consumir os alimentos en lugares diferentes. Cal é a distancia máis apropiada logo? A resposta sería a túa horta a carón da casa. Así, a globalización, concepto sacrosanto do período histórico que estamos a abandonar, só é posíbel con enormes cantidades de enerxía fósil para barcos, avións, camións, etc. Non se pode dicir que non estivésemos avisados. Hai exactamente medio século que científicos do MIT, encabezados por Donella Meadows, publicaron o famoso informe Os Límites do Crecemento para o Club de Roma. Desde entón, só o movemento ecoloxista / decrecentista pareceu tomar en serio a situación. Hoxe, podería afirmarse que moitas máis persoas comezan a preguntarse polo noso futuro en común, que coincide co título de outro informe, o informe Brundtland (1987) no que se definía sustentabilidade: "Satisfacer as necesidades das xeracións presentes sen comprometer as posibilidades das xeracións do futuro para atender ás súas propias necesidades". A ver se desta vai.
NOS_10502
Un camión bateu contra a multitude que celebraba a festa nacional francesa no paseo marítimo da cidade ocitana. O condutor foi abatido pola Policía. As autoridades francesas xa divulgaron o seu nome: Mohamed Lahouaiej Bouhlel, 31 anos, nado en Túnez. Era camioneiro e tiña antecedentes por delincuencia común. O atentado continúa sen ser reivindicado por ningún grupo terrorista.
Ducias de persoas, 84 segundo o balanzo provisional do goberno francés, morreron esta noite en Niza ao se dirixir un camión contra a multitude que festexaba o 14 de xullo, a festa nacional, gala no paseo marítimo desta cidade de Ocitania. O número de feridos sitúase nos 202, 52 deles con perigo para a súa vida O Executivo francés, así como as forzas de seguridade e chancelerías europeas, asumiron desde un primeiro momento que estabamos diante dun atentado. "Non se pode negar o carácter terrorista do ataque", manifestou o presidente Hollande nunha comparecencia de madrugada. O conductor do camión foi abatido pola policía e na cabina do vehículo atopouse documentación dun cidadán francés de 31 anos de idade. Fontes policiais tamén indican que se atoparon diversas armas. Ningún grupo terrorista reivindicou até agora a autoría do masacre, embora The Guardian publicou que á altura de setembro de 2014 un portavoz do Daesh chamou á populación musulmá a atentar en solo occidental utilizando todo tipo de armas, entre elas o atropelo con vehículos. A non reivindicación do atentado fai supor ás autoridades francesas que podemos estar perante a acción dun lobo solitario inspirado polo Exército Islámico ou por Al Qaeda. O xornal Nice Matin afirma que o autor é Mohamed Lahouaiej Bouhlel vivía en Niza e tiña orixe tunecina. Pai de tres crianzas tiña varias denuncias da súa compañeira por violencia machista. Bombardeos Este brutal suceso na cidade que veu nacer Giuseppe Garibaldi e que non pasou intregrar Francia até 1860, chega apenas horas despois de que o propio Hollande anunciase a fin do estado de emerxencia que vivía Francia desde os atentados de París, nos que foron asasinadas 130 persoas. "Non se pode estar permanentemente en estado de excepción", dixo o presidente galo. O atentado de Niza vai levar, anunciaron desde o Elíseo, a que se prorrogue este estado, que tiña despregados a máis de 10.000 militares e recortados certos dereitos así como outorgar poderes especiais ás forzas de seguridade. Hollande tamén anunciou que ían "redobrar" os bombardeos en Siria e Iraque contra "bases do Daesh". O camión que embestiu contra a multitude avanzou uns dous quilómetros polo coñecido como Paseo dos Ingleses a unha velocidade de 90 quilómetros por hora, segundo a policía. E en zigui-zague para causar o maior número de vítimas, engaden. Vivíronse escenas dantescas, con "corpos voando coma bolos ao ser levados por diante polo camión", segundo relatan testemuñas a medios franceses. Tamén momentos de terror entre as miles de persoas que estaban na zona. Gabinete de crise Esta sexta feira Hollande reúne un gabinete de crise para tratar a situación e adoptar medidas. Nas últimas horas recibironse mostras de condolencia e apoio de numerosos países e organismos internacionais. Tamén na Galiza, desde organizacións políticas, institucións e colectivos diversos expresaron nas redes sociais o seu rexeitamento ao ataque e solidariedade para coas vítimas e familias. O primeiro ministro, Manuel Valls, declarou tres días de loito nacional e advertiu que os franceses van ter que afacerse "a vivir co terrorismo". Francia súmase así á triste listaxe de países que durante este mes de xullo sofreron brutais atentados terroristas atruibuídos ao islamismo: Iraque, Siria, Afganistán, Libia, Iemen, Nixeria, Paquistán, Arabia Saudí ou Somalia. En actualización
NOS_49743
O voceiro do Bloque no Parlamento anuncia que o BNG se enfrontará con rotundidade ás reformas electorais que ten en axenda o PP, que cualifica como "intento de golpe de Estado".
Francisco Jorquera Caselas (Ferrol, 1961) é o portavoz parlamentar do BNG e amósase fortalecido, e realista, cara ao novo período de sesións e tamén ante o curso político que comeza, que se prevé convulso. - Comeza un exercicio político que pode marcar un antes e un despois - Presúmase intenso pola situación social, económica, polo drama deste país, cuxa base material está destruída, mais vai ser especialmente convulso pola intención do PP de perpetrar un auténtico golpe de estado coa reforma da lei de eleccións ao Parlamento galego e coa reforma da lei electoral das municipais, onde co revestimento dunha suposta rexeneración o que quere é cambiar as regras do xogo cinco minutos antes do remato do partido no seu beneficio (...) Para o BNG é escandaloso, un pucheirazo, e no parlamento e na acción social responderemos con contundencia. - Como se combate algo de tanta dimensión e espera ter compañía o BNG no combate que se prepara contra o mesmo? - Esperamos que si. Unha das iniciativas que imos tomar é convocar a todas as organizacións políticas e sociais que estean en contra deste pucheirazo para impulsar unha forte contestación ao que intenta perpetrar o PP, dunha gravidade total e absoluta que precisa resposta non só a nivel institucional. - Outra gran cita do curso son as municipais de maio de 2015 Vou ser claro. O BNG ten vocación de permanencia, ninguén no BNG está pensando en disolverse. Somos a forza referencial do nacionalismo e se non existise o BNG o noso país sería un ermo. A entrevista completa neste semanario do Sermos Galiza, nº112
NOS_12206
Aprecia unha violación do artigo 3 da Convención Europea dos Dereitos Humanos, que prohibe a tortura e os tratos inhumanos e degradantes, e obriga ao pago de multas a tres solicitantes de asilo de entre 10.000 e 12.400 euros.
O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo condenou a Francia a pagar multas simbólicas de entre 10.000 e 12.400 euros a tres refuxiados que durante meses se viron obrigados a subsistir na rúa sen recibiren do Estado asistencia básica como comida, teito ou atención sanitaria. Os cidadáns, solicitantes de asilo, de nacionalidade afgá, iraniana e rusa, foron "vítimas dun trato degradante que reflicte unha falla de respecto pola dignidade deles", salientou a corte de xustiza. Francia é "responsábel das condicións en que viviron durante meses na rúa [...] co medo permanente a ser atacados ou atracados", sinalou o Tribunal nun comunicado publicado na súa web, onde se subliña a "ausencia dunha resposta adecuada" por parte das autoridades. Por exemplo, o cidadán iraniano, nacido en 1974, de profesión xornalista e que acabou conseguindo a condición de refuxiado, viviu nas rúas de París durante seis meses, dos que 133 días pasounos sen recursos ningúns. O cidadán afgán, nacido en 1993 e que tamén logrou finalmente a protección humanitaria, pasou 262 días refuxiado baixo as pontes dos canais da capital francesa. O cidadán ruso, nacido en 1990, residía en Carcassonne, onde viviu nunha tenda de campaña á beira do río Aude durante varios meses. O tribunal rexeitou a petición dun cuarto demandante de asilo, tamén procedente de Rusia e nacido en 1987. Ao igual que o anterior viviu nunha tenda de campaña á beira do Aude, en Carcassonne. Fíxoo durante polo menos nove meses, mais recibiu un subsidio de subsistencia durante 63 días. "Trato inhumano" As persoas refuxiadas en Francia non poden traballar nos seis meses posteriores á solicitude de asilo mais poden recibir unha axuda financeira mentres esperan pola resposta do Estado. O Tribunal sinala na sentenza que "é consciente do continuo aumento no número de solicitantes de asilo desde 2007 e da saturación" existente, ao tempo que recoñece "os esforzos realizados polas autoridades francesas para crear prazas de acollida adicionais e acurtar os prazos de estudo das solicitudes de asilo". Non obstante, estima que "estas circunstancias non exclúen que a situación dos solicitantes de asilo" é unha violación do artigo 3 da Convención Europea dos Dereitos Humanos, que prohibe a tortura e os tratos inhumanos e degradantes. O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo, dependente do Consello de Europa, é a máxima autoridade xudicial para a garantía dos dereitos humanos e liberdades fundamentais en todo o continente, agás en Bielorrusia, en Kazhakhstán e na Cidade do Vaticano. Non é a primeira vez que emite unha sentenza contra Francia polo trato ás persoas refuxiadas. En febreiro de 2019, condenou o Estado a pagar 15.000 euros a un refuxiado afgán por non lle ofrecer asistencia e protección cando, con 12 anos, vivía só no campo improvisado de refuxiados de Calais, no norte do país.
NOS_37923
O produto interior bruto por habitante é inferior aos 20.000 euros. Só 12 comarcas do país igualan ou superan esa riqueza por persoa. A gran maioría (41) non chegan a eses 19.599. E hai fendas abismais entre bisbarras.
A renda 'per cápita' en Galiza é de 19.599 euros, unha cifra que só acadan ou superan 12 das 53 comarcas galegas e 41 dos 313 concellos do noso país. Das comarcas que non chegan á medida do PIB por persoa, un total de 41, 13 son da provincia de Pontevedra, 11 de Lugo, 9 de Ourense e 8 de Pontevedra. A Galiza de dúas velocidades, mais non referida ás provincias senón nas comarcas, con algunhas superando moi amplamente eses 19.599 euros anuais de renta per cápita que é a media galega e outras ficando moi por baixo. Segundo os dados oficias, a comarca de Eume é a quen un PIB por habitante maior, 44.215 euros. Supón duplicar a media galega. E cinco veces a riqueza da comarca que ten unha renda per cápita máis baixa, A Baixa Limia, onde é de 8.640 euros anuais por persoa. Ademais, e no que respecta ao periodo de 2010 a 2012, só 8 das comarcas galegas rexistran crecemento en termos nominais. No extremo oposto temos 33 comarcas que rexistraron un crecemento inferior á media galega neste período (que foi dunha queda do 4,1%) Concentración Ademáis, o PIB da comarca da Coruña foi de 10.276 millóns de euros en 2012, isto é, nesta comarca xerouse o 18,9% da actividade produtiva de Galiza. Na de Vigo o PIB ascendeu a 9.444 millóns de euros, o que representa o 17,4% do total. As seguintes, en orden de magnitude, son as de Santiago, Ourense, Ferrol, Lugo e Pontevedra. Nestas sete comarcas achegan o 64,2% do PIB total de Galicia. As outras 66 achegan o 35 por cento restante. Fenda co Estado e coa UE Cómpre lembrar que o PIB por habitante en Galiza segue afastado tanto do promedio europeo coma do español, como confirmaron este mesmo ano os dados de Euostat, a Oficina de estatística comunitaria. Se a media de renda per cápita na UE é 100, Galiza fica no 83% desa riqueza, o que significa 17 puntos menos. O PIB por habitante en Galiza fica lonxe tamén da media do estado español. Se este é 100, nós estamos no 94, seis puntos menos.
NOS_49595
A Fegamp advirte da falta de medios e recursos humanos para atender as medidas impostas en peches como o da Mariña.
A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) censurou que o Goberno de Núñez Feixoo traslade aos alcaldes e alcaldesas a responsabilidade de exercer como "autoridade sanitaria" en episodios de peches de áreas por brotes de Covid-19, como o que foi decretado para a comarca da Mariña. A entidade que preside o rexedor de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, saíu ao paso das medidas recollidas polo Diario Oficial de Galiza (DOG) do domingo referentes ao peche da comarca do norte do país até a vindeira sexta feira para combater o brote de coronavirus. A Fegamp critica que a Consellería de Sanidade impoña a alcaldes e alcadesas a consideración de "autoridade santiaria" segundo a cal deberán "garantir a vixilancia, inspección e control do cumprimento" das medidas decretadas nos seus municipios. A federación lembra que a Lei reguladora de Bases de Réxime Local establece que a xestión de crises sanitarias recae na Dirección Xeral de Saúde, é dicir, na Xunta e que, por tanto, corresponde á Administración autonómica coordinar, achegar medios e elaborar plans de actuación para facer fronte a situacións como a aberta na Mariña. Neste sentido, os concellos advirten das súas "limitacións" en canto a recursos humanos e materiais para facer fronte ás funcións que lle adxudica a Xunta. Como exemplo diso, sinalan que "o 60%" dos concellos galegos carecen de Policía Local e que un "número significativo" de municipios con este corpo contan con cadros minguados pola taxa de reposición. Así as cousas, as entidades locais reivindican o traballo realizado ao longo desta crise sanitaria "asumindo funcións engadidas e mesmo impropias sen dispor de medios extraordinarios para o seu desenvolvemento", polo que demandan á Xunta que asuma as súas responsabilidades para que "a protección da saúde sexa igual para todos os galegos independentemente da facenda local de cada concello".
NOS_53824
O Concello denunciou o consorcio de Benestar pola decisión de transladar este servizo a Muros sen aparente razón obxectiva. Era a única instalación pública destas características entre Cabana de Bergantiños e a Serra de Outes.
A consellaría de Benestar vulnerou o convenio que debera ficar vixente até 2015 e ordenou o peche do centro de día de Carnota, único servizo destas características ofertado na comarca e que atendía idos@s desde Cabana de Bergantiños até a Serra de Outes e que funcionaba desde 2006. O centro será transladado a Muros. O Concello de Carnota interpuxo un recurso contencioso-administrativo contra o Consorcio de Benestar por rachar "de maneira unilateral" co convenio. Alega a Xunta que as instalacións muradás están sen estrear e dispoñen dun maior número de prazas, namentres o emprazamento actual "ten graves deficiencias". O Goberno local, encabezado polo nacionalista Ramón Noceda, informa de que Muros só dará cobertura a "apenas media ducia máis" de usuari@s, causa que non xustifica "o dispendio nun novo centro nin a clausura doutro existente". O PP non gosta das instalacións que no seu día, cando se abriu o centro de día durante o goberno bipartito, "impuxo", pois daquela o rexedor municipal era o popular José Oreiro e foi o Concello quen escolleu a ubicación e fixou as condicións en que se prestaría o servizo. Malia que no convenio asinado non se estabelece a posibilidade de o rescindir de maneira unilateral, a lexislación da Administración pública si contempla esta posibilidade. Porén, Goberno local e comité de empresa o que reclamaban era a paralización cautelar do translado namentres non se resolvese o recurso contencioso-administrativo. Non é o primeiro centro dependente de Benestar que pecha as súas portas namentres entidades relixiosas como Esclavas de la Virgen Dolorosa de Crecente acaparan os convenios da consellaría para deixar en mans privadas a prestación deste servizo.
NOS_17717
Un proxecto da Universidade de Santiago de Compostela liderado polo físico Jorge Mira busca anticiparse ao avance da pandemia para poder tomar medidas en cada momento.
Anticiparse ao avance da pandemia da Covid-19 para poder tomar medidas en cada momento. Este é o obxectivo do proxecto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) liderado polo físico Jorge Mira. A través de diferentes métodos e bloques de estudo o grupo de investigadores está a traballar na predición dinámica de escenarios de afectación pola Covid a curto e medio prazo. Un destes bloques ten como obxectivo a elaboración dun mapa de risco galego e estatal a partir das vías de comunicación (estradas, portos, aeroportos...). A investigación busca determinar que zonas son máis sensíbeis á pandemia en función da súa posición xeográfica e das súas vías de comunicación. En declaracións a Nós Diario, Mira sinala que "existe unha vertebración que se dá, sobre todo, pola AP-9, algo natural porque é unha das estradas por onde máis xente se traslada no país". Outra das hipóteses nas que está a traballar o persoal investigador baralla a idea de que "por mor doutros procesos víricos, poida existir certa inmunidade á Covid, que se sumará á obtida coa vacinación", indica Mira. En relación á inmunidade, as e os investigadores estudan a aparición das novas cepas de Covid –a procedente do Reino Unido, do Brasil e de Suráfrica– e que efectos poden ter na sociedade. Sobre estes estudos, Mira explica que "Galiza é un terreo aínda susceptíbel a máis contaxios, xa que –con datos do último estudo de seroloxía de novembro– non conta coa inmunidade de rabaño que presentan outros territorios como Madrid; a nosa porcentaxe é unha das máis baixas do Estado español", asegura. As diferentes normativas aplicadas no territorio e a heteroxeneidade da afección da pandemia fixeron que os investigadores tiveran que cambiar os métodos clásicos de predición para pasar a analizar a resposta da cidadanía ante a pandemia a través das redes sociais. Analizan as manifestacións que se van vertendo na rede para detectar como de proclive é a sociedade a cumprir as normas. Todos estes factores fan que "exista moita dúbida sobre o curso da curva de contaxios", expón o físico. "As novas cepas, o cambio do comportamento das persoas e o esgotamento que poida existir para cumprir a normativa" son chave para a predición. Este proxecto forma parte do programa de micromecenado Sumo Valor, vencellado a investigacións sobre a Covid da USC.
PRAZA_4911
As distintas columnas que sairán desde diferentes territorios do Estado -a pé, en tren ou autobús- definen xa as súas accións para amosar "o rexeitamento da maioría social" ás políticas do Goberno central. A plataforma galega de apoio ultima as súas marchas.
A menos dun mes da data elixida para confluír en Madrid, o 22 de marzo, as distintas columnas das Marchas da Dignidade xa teñen perfilado o mapa das rutas que seguirán os que levarán a cabo esta acción, moitos deles a pé durante centos de quilómetros, co obxectivo de mostrar "o rexeitamento da maioría social" á situación que vive o Estado e ás políticas do Goberno. As distintas columnas teñen xa preparado o mapa das rutas desde as distintas autonomías A trintena de colectivos presentes na última reunión de organización das Marchas da Dignidade a nivel estatal -celebrada en Murcia a pasada semana- debuxaron os itinerarios das columnas de camiñantes que sairán cara a Madrid desde as distintas autonomías, aos que se unirán xa na capital madrileña o 22 de marzo os que acudan directamente en coche, autobuses e tren para participar na manifestación que terá lugar ese día. No caso de Galicia, a Plataforma Galega de Apoio ás Marchas da Dignidade continúa a traballar e organiza xa a viaxe en tren e outros medios de transporte desde diversos puntos do país. No entanto, a Columna Galega #marchaamadrid, que organizara unha marcha a pé desde Compostela, decicidiu desvincularse do devandito colectivo, polo que pasa a denominarse Columna Galicia-Bierzo-Laciana e sairá o vindeiro día 1 de marzo desde Vilafranca para xuntarse logo con máis manifestantes de Castela e León. A Columna Galega desvincúlase da plataforma dos sindicatos alternativos galegos, á que acusan de "falta de apoio" Os responsables desta iniciativa quéixanse da "falta de apoio" e a "indiferenza" amosada pola plataforma que reúne a CUT, CGT, CNG, SF-IN, S. Elevación, SLG e STEG e que foi apoiada pola FPG, EU, Anova, Fronte Cívica e plataformas sociais ou culturais, como Stop Desafiuzamentes ou a Marcha das Mulleres. O colectivo convocou xa manifestacións de apoio ás Marchas para o vindeiro mércores 26 en Vigo, A Coruña, Compostela, Lugo, Ourense, Vilagarcía e Pontevedra. Por outra banda, no resto do Estado, e segundo confirman fontes da organización, entre os días 9 e 16 de marzo terán lugar as saídas das distintas columnas de camiñantes, segundo a súa proximidade a Madrid e os quilómetros que percorrerán a pé. Desde Murcia, a marcha sairá o 9 de marzo, do mesmo xeito que desde a Comunitat Valenciana, confluíndo ambas as dúas no seu camiño días despois xa en terras de Castilla-La Mancha, onde se lle unirán activistas desta comunidade até a súa chegada a Madrid. Desde Estremadura, a organización da columna de camiñantes ten prevista a súa saída o día 10 de marzo desde Mérida como saída simbólica ao ser esta a cidade sede do Campamento Dignidade durante máis dun ano. Posteriormente, o seu itinerario cruzarase co dos activistas de Talavera de la Reina (Toledo). Pola súa banda, a columna de Andalucía realizará un acto unitario o 15 de marzo en Córdoba e, ao día seguinte, iniciará o seu camiño en Santa Elena (Jaén) para percorrer o itinerario até chegar a Madrid en sete etapas. Desde Catalunya, un grupo de activistas tamén realizarán o percorrido a pé até a capital. Columnas de todos os territorios do Estado confluirán en Madrid o vindeiro 22 de marzo Xunto a eles, o resto de participantes na manifestación das Marchas da Dignidade chegarán en coche, autobuses ou tren a Madrid o mesmo día 22 de marzo. Alí uniranse os integrantes de Galicia e os de Euskadi, que non realizarán o camiño a pé pero uniranse en Burgos con activistas castelán-leoneses para axuntar posicións de cara á súa chegada a Madrid. E desde a Comunidad de Madrid, o seu labor previo como anfitrioa será a de coordinar o seis zonas de chegada das distintas columnas o penúltimo día das marchas, en municipios distantes da capital uns 20 quilómetros, co fin de descansar e axuntar posicións de cara á etapa con final en Madrid e manifestación polas súas rúas. Manifestación en Madrid e reflexo nas comunidades No resto de territorios, como Canarias, realizaranse "accións espello" durante as mesmas datas para reflectir o seu apoio ás reivindicacións das Marchas da Dignidade. E mesmo, expúxose que desde a fronteira española en Irún (Gipuzkoa), se inicie unha marcha simbólica do apoio internacional que recibiron as marchas. Desde a organización sinalan que non se trata de facer columnas masivas de xente a pé, senón de soster un grupo desde cada territorio que conflúa en Madrid e alí, xa si masivamente, "unirse a persoas de todo o país", segundo explican as fontes consultadas, que fan un chamamento aberto para participar nesta acción e "mostrar a fortaleza e o poder da sociedade". O punto de encontro final será a concentración que terá lugar en Madrid o 22 de marzo que sairá desde Atocha ás 17 horas, onde se establecerá a cabeceira da manifestación que sairá cara á Praza de Colón, onde terá lugar un acto final coa lectura dun manifesto coas reivindicacións das Marchas da Dignidade. "A concentración en Madrid non será o fin senón o inicio dunha acción sostida", advirten os convocantes Pero, como desde o principio da organización destas marchas mantívose, "a concentración en Madrid non será o fin senón o inicio dunha acción sostida" que os activistas pretenden realizar nos días posteriores ao 22 de marzo na capital madrileña e co seu reflexo nas distintas comunidades autónomas. Así o aseguraron tamén os convocantes en Galicia, que advirten que "isto non é unha manifestación máis nin unha excursión a Madrid; é un proceso que vai máis aló, un movemento subvertivo que pretende aglutinar todo o mundo do ámbito social, cultural, político ou sindical antisistema". Cómpre lembrar que entre a trintena de colectivos integrantes das Marchas da Dignidade no Estado atópanse Fronte Cívica, o Sindicato Andaluz de Traballadores (SAT), Ecoloxistas en Acción, CNT, USTEA, o colectivo de Yayoflautas, CXT, Unión Cívica pola III República, Intersindical Valenciana, Stop Desafiuzamentos, Mesas de Converxencia, Plataforma pola Renda Básica, Rede Solidaria Antirepresiva, PCE, Mocidades Comunistas, Asembleas contra o Paro, Solidariedade Obreira, Comisións de Base (COBAS) e Esquerda Unida, entre outros. Tamén a apoian Izquierda Castellana, Red Roja, varios colectivos do 15M as CUP ou Endavant.
NOS_27391
A AELG actualiza a cada pouco na súa web as homenaxes que a día de hoxe se celebran arredor arredor da poeta polo país enteiro. Desde recitais até graffitis en centros de ensino, recitais por toda parte, homenaxes sorpresa e un abrazo colectivo á poeta.A Fundación presidida por Anxo Angueira ofrece toda unha xornada de festa de aniversario. As redes ferven co seu nome e seus versos.
O Día de Rosalía, sen ter sido recoñecido oficialmente pola Consellaría de Cultura, prende na sociedade nas máis diversas fórmulas. Os graffitis aos que convidou a AELG mais os "selfies" ou autofotos que promoveu a Fundación son algúns dos exemplos que máis están a revolucionar as redes sociais, ámbito no que, de maneira singular se están a apagar as velas do 177 aniversario da poeta. Desde medianoite, as "autofotos" comezaron a colarse nas redes sociais, algunhas delas de persoas singulares da nosa cultura que se retrataron ao pé da obra ou de motivos rosaliáns. Hainas que buscaron espazos relacionados coa biografía da autora, outras quixeron aparecer nunha foto conxunta coa poeta e moitas optaron por botar man da obra ou de motivos como camisolas, brincos ou autocolantes coa iconografía da autora de "Follas Novas". A páxina da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua galega está a facer seguimento da multitude de actividades organizadas por centros de ensino e diversas entidades para honrar á escritora no Día de Rosalía, máis colectivo que nunca. Actos promovidos ou realizados en Facultade de Filoloxía e Tradución na Universidade de Vigo, Biblioteca do Centro Ágora, Museo Provincial de Lugo, Local da Asociación de Mulleres de Moaña, Asociación Cultural Vagalumes, Biblioteca Pública da Rúa, Teatro Principal de Pontevedra dentro do programa "A memoria das Mulleres", galería Sargadelos de Ferrol ou a Asociación Cultural Barbantia son algunhas das actividades que se recollen na páxina na xornada de máis dinamismo das convocadas pola AELG. En Ourense, vinte colectivos participan nun día de festa cun programa no que inclúen unha exposición sobre a iconografia de Rosalía de A Bela Auria no Museo do Barrio e un acto central que se iniciará ás 19.30 con saída da praza da Estrela até o Liceo no que se convidará a participar no acto central que terá lugar ás 20.00 horas, presentado por Xosé Lois González con poemas e música. Centros de ensino, graffitis e autofotos Máis de vinte centros de ensino penduraran xa a media mañá os seus programas e as súas iniciativas para honrar á poeta entre as que se atopaban os "graffitis" poéticos aos que, desta volta, convocou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. Por medio do hasthtag #euRosalía, xa se pode achegar ás "autofotos" que a Fundación Rosalía promoveu a través das redes sociais. A imaxinación, a homenaxe, a ironía e mesmo propostas de poesía visual recóllense neste repositorio automático no que Rosalía é a protagonista dunha acción colectiva na rede. A Fundación aproveitará a xornada para realizar o peche simbólico do 150 aniversario da publicación de "Cantares Gallegos", coa realización do programa "Diario Cultural" dirixido por Ana Romaní desde a Matanza de Padrón e a presentación do libro-cd "De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no Século XXI" no que colaboran 36 poetas que recrean os poemas de Rosalía de Castro, emitidos con anterioridade no programa dirixido por Ana Romaní. Para as 19 horas na Casa Museo Rosalía de Castro en Padrón terá lugar o acto de presentación coa participación de Xose M. Álvarez Caccamo, Marilar Aleixandre, Elvira Ribeiro, Celso Fernández Sanmartin, Dores Tembrás, Marga do Val, Gonzalo Hermo e Eduardo Estevez, entre outros. "Todas con Rosalía", desta volta, as escritoras Dando continuidade á iniciativa do pasado ano, a AELG difunde tamén o audiovisual "Todas con Rosalía", unha lectura colectiva por parte dun grupo de escritoras da obra da autora de "Follas Novas".
PRAZA_2388
ENTREVISTA O secretario xeral de Compromiso por Galicia analiza a cada vez máis difícil confluencia logo de que a militancia do seu partido acordase non concorrer ás eleccións xerais de non haber unha lista única da esquerda rupturista e o nacionalismo
Compromiso por Galicia (CxG) levou a cabo este sábado unha convención na que a súa militancia decidiu que o partido non concorrese finalmente ás eleccións xerais se non hai lista unitaria galega, e que se dese liberdade aos seus membros para apoiar unha ou outra candidatura. Nas votacións, a opción de concorrer nunha candidatura de formacións cos centros de decisións en Galicia obtivo o 12% dos votos na primeira volta, na que gañou a opción de non presentarse (49%), mentres que o apoio ao proceso iniciado polo Encontro Cidadán por unha Marea Galega quedou no 39%. Na segunda volta, o 60,9% dos votos optaron por non presentarse e o 38% optaron pola Marea. Xoán Bascuas, secretario xeral da formación galeguista, fala agora do proceso e do futuro da confluencia no país. Compromiso fixo o que debía? Para min e para CxG a limpeza do procedemento é algo chave porque o que facemos na nosa casa é o que queremos para o conxunto da cidadanía: que a democracia recupere o seu sentido orixinal e que a cidadanía sexa quen poida escoller. A nosa cidadanía é a nosa afiliación e a nosa afiliación foi a que fixo as propostas, ninguén máis. Non houbo un pronunciamento do partidos obre o que facer ou que votar. Ademais, un dos principios da democracia é o respecto ás minorías, pero tamén ás maiorías. A xente entendeu que, se non hai unha candidatura unitaria, nós non participaremos en nada; e daremos liberdade para que cadaquén apoie a lista que considere oportuna. "As cousas están tremendamente difíciles, pero CxG seguirá traballando ata o último minuto por unha candidatura unitaria" Todos os partidos implicados aluden a unha última esperanza, pero a unidade total parece imposible... Imos vivir unhas semanas nas que veremos se a esperanza é capaz de bater a experiencia pasada. As cousas están tremendamente difíciles, pero non por iso teremos que deixarnos ir. Somos CxG e estamos afeitos a manexarnos en territorio difícil. Seguiremos traballando, como desde o minuto un, para que haxa unha candidatura unitaria. E farémolo ata o último minuto. Cal é ese último minuto? O minuto cero é o 6 de novembro, data límite legal para rexistrar coalicións. "Cada partido e entidade deberá aclarar se lle importa máis Galicia ou as súas siglas, o seu criterio e os seus líderes" Pero non debería amañarse algo antes? Non o sei, iso dependerá das distintas entidades que participan nese proceso. Cada unha delas terá que expresar a súa vontade e ver que é o que lle importa máis: se Galicia ou as súas siglas, o seu criterio, os seus líderes ou o que sexa. Cadaquén terá que valoralo. Parece que as cartas en moitos casos estaban marcadas desde hai tempo, quen ten máis responsabilidade no caso de que fracase a candidatura unitaria? "Se a candidatura unitaria fracasa, será responsabilidade de todos, incluído Compromiso por Galicia" Se isto fracasa será responsabilidade de todos, incluído CxG. É certo que a nosa cota de responsabilidade é menor que o doutras forzas políticas cun peso específico no país moito máis grande, pero se non chegamos a un punto en común, todos seremos responsábeis. Logo poderemos entrar en quen foi máis ou menos reponsable, pero que máis dá se non se acada o obxectivo para o país. Teríase perdido unha oportunidade histórica e única? Será a última como moitos din? Son moi escéptico cando se fala de última oportunidade porque a historia constrúese día a día. Este é un país vio, e mentres haxa xente que sinta o país, sempre teremos oportunidade de que haxa unha resposta axeitada na defensa do país, da nosa identidade, do autogoberno, das políticas sociais, do Estado do Benestar... Pero o galego é un idioma rico que sabe diferencia entre último e derradeiro. Será última oportunidade, pero non a derradeira, desde logo. A decisión de CxG creará problemas dentro da formación? Non porque aquí non foron unhas persoas as derrotadas e outras as vencedoras, senón os argumentos. "Noutras forzas, un proceso como o que fixo CxG xeraría tensións organizativas que non se poderían xestionar" Sería todo máis doado se todas as formacións implicadas na confluencia levasen a cabo un proceso semellante ao de CxG? Certamente. Nós intentamos predicar o que se deu por denominar a nova política, pero o noso partido é máis pequeno e humilde e un proceso así é máis xestionable na nosa casa. Se cadra, noutras forzas isto xeraría tensións organizativas que non se poderían xestionar, pero no noso caso non é así. Ademais, non é a primeira vez que o facemos porque para as últimas eleccións europeas tamén houbo dúas propostas e iso non supuxo fragmentación ningunha. A xente que adoita dicir que estes procesos poden crear problemas en Compromiso é xente de fóra de Compromiso. Ao final, parece que o principal problema era o liderado ou non de Podemos e a aceptación das súas siglas... Falando con claridade, no momento no que non se dá configurado ese partido instrumental, esa opción material e legal, era visto que iamos a un formato de coalicións e isto abre a porta á presenza de denominacións e siglas. Isto facilítalle o traballo a Podemos para manter o seu nome no caso de perseverar na idea de mantelo; e dálle unha lexitimación argumental ao BNG para dicir que non vair ir cunha forza política de ámbito estatal que quede reflectida como tal. De, como propuxo CxG, se artellase unha plataforma de adscrición individual, as siglas e o conetro de decisión dos partidos non terían sindo nunca un atranco porque as persoas participarían a título individual e os partidos serían un motor auxiliar ao servizo da cidadanía. Pero ao chegar á fase das coalicións, todo se dificulta. Vai ti saber quen xogou a que chegaramos ao tempo no que só se podía optar por presentarse en coalición. "Búscase o relato da autoexclusión do outro, algo que ocorre sempre na política galega cando se buscan alianzas" Ao final este parece un xogo de buscar escusas? Máis ben é buscar o relato da autoexclusión do outro, e iso é algo que está perennemente na política galega cando se buscan alianzas: buscar que o outro se autoexclúa. CxG sábeo ben de sobra porque en 2012 a nosa afiliación apostou por ir en pé de igualdade en coalición dentro de AGE, pero logo buscaron o relato para que non puidésemos ir e deixóusenos fóra. Eu creo que a cidadanía galega é sabia e non se pode enganar permanentemente. "Unha candidatura unitaria tería serias opcións de ser primeira ou segunda forza no país" Pode que a cidadanía acuda a votar do mesmo xeito, pero agora será difícil medir a frustración á que todos aluden... Evidentemente. Unha candidatura unitaria levantaría unha expectativa e unha capacidade de resposta ao bipartidismo que sería inigualable e que tería serias opcións de ser primeira ou segunda forza no país. Tería un peso específico que podería garantir un grupo político propio, pero agora hai dúbidas legais serias e severas á hora de crear ese grupo propio. Tamén é certo que agora mesmo xa non exista a mesma expectativa dun cambio de modelo constitucional como existía hai dous meses, pero vai haber un debate no que o argumenta territorial será importante e no que sería clave que Galicia estivese presente como tal e non como leit motiv subsidiario. Isto só se podería conseguir cun grupo propio e, con dúas ou máis candidaturas, será realmente complicado logralo. Nese punto, CxG non vai fragmentar nin restarlle voto a ninguén. Ninguén poderá dicirnos que contribuímos a non ter un grupo propio galego.
NOS_58412
Denúnciao o BNG.
O BNG de Celanova denuncia que un caso negativo seguía na mañá desta cuarta feira, día e medio despois de que se coñecera o seu resultado negativo nos últimos test, na "planta de covids" da residencia. A familia deu a voz de alerta. "A Residencia está coa dirección delegada –a directora, unha das contaxiadas, segue de baixa pola infección-, os patróns non aparecen e o Sergas segue negándose á intervención". Segundo o BNG, a familia recibiu a explicación de que a muller está atendida "seguindo un protocolo da UME" e que as traballadoras mudan de roupa entre esa habitación e as outras. A familia tamén recorreu ao médico de cabeceira, "mais este restou importancia á situación". Outras fontes, afirman as nacionalistas, explican que o cambio de planta non se fixo porque non quedan habitacións libres despois de que volveran para Celanova parte dos trasladados a Baños de Molgas, os últimos, este pasado domingo.
NOS_18983
BNG e ERC estiveron esta cuarta feira no Congreso canda Amaiur para, nun acto informativo, respaldaren a anulación do xulgamento a 34 militantes da esquerda abertzale, no mediaticamente coñecido como caso das Herriko Tabernas.
"Queremos construír pontes onde antes só había muros", afirma unha proclama contra o macroxuízo 35/02, en que se demanda a "absolución, o sobresemento ou a forma que mellor conveña" para as persoas xulgadas pola Audiencia Nacional. BNG e ERC quixeron esta cuarta feira simbolizar o seu respaldo a este manifesto. Que pontes quere construír a esquerda abertzale e todas as persoas e colectivos que se identifican coa causa da pacificación en Euskal Herrai? Pontes cara ao futuro, pontes de ilusión e pontes de xustiza, desde a constitución dun novo suxeito, un novo "nós", "cidadás bascas que apostamos nun novo futuro de paz e xustiza, onde a confrontación se ha de saldar, se ha de xogar e se ha de definir no ámbito meramente político, e onde gañamos todas e todos". "O Goberno español ten que dar pasos cara adiante e mollarse", di Rosana Pérez A deputada Rosana Pérez afirmou perante a imprensa, nesta comparecencia conxunta realizada no Congreso, que "desde o BNG apoiamos todas as actuacións encamiñadas a solucionar o conflito no País Vasco, e desde logo este macroxuízo non contribúe para asegurar a tan esperada pacificación". Acrescentou a parlamentar frentista que "desde o BNG cremos que é através do diálogo e do debate nas institucións como se pode chegar a unha solución". O macroxuízo da Audiencia Nacional, resalta Rosana Pérez, "non vai nesa dirección". "Por iso, hoxe aquí respaldamos e manifestamos o noso apoio e desexo de que haxa paz no País Basco canto antes. O Goberno español ten que dar pasos cara adiante e mollarse, pór todos os meios precisos para unha solución política definitiva".
NOS_25018
Os ativistas foram prendidos em Julho de 2015 sob a acusação de estarem a preparar uma rebelião para depor o presidente angolano, José Eduardo dos Santos, do governante MPLA.
No momento em que se produziu a detenção, eles estavam alegadamente a realizar uma ação de formação, a leitura dum livro intitulado Ferramentas para Destruir o Ditador e Evitar Nova Ditadura Filosofia Política da Libertação para Angola. O volume é da autoria dum dos prendidos, Domingos da Cruz, tido por um dos líderes do grupo, conjuntamente com o músico Luaty Beirão. Segundo informa RedeAngola.Info -meio com o qual o Sermos Galiza tem estabelecido um acordo de colaboração-, Domingos da Cruz cumprirá 8 anos e seis meses de pena e foi condenado também enquanto líder de associação criminosa (sic). Luaty Beirão cumprirá cinco anos e seis meses, sendo que também responde à acusação de falsificação de documentos. A defesa das pessoas arguidas consideram que o julgamento é puramente político e que não há nenhuma razão que atinja á segurança do Estado que possa justificar a condenação Por sua parte, Nuno Dala, Sedrick de Carvalho, Nito Alves, Inocêncio de Brito, Laurinda Gouveia, Fernando António Tomás "Nicola", Afonso Matias "Mbanza Hamza", Osvaldo Caholo, Arante Kivuvu, Albano Evaristo Bingo -Bingo, Nelson Dibango, Hitler Jessy Chivonde e José Gomes Hata foram condenados 4 anos e seis meses de prisão. A defesa das pessoas arguidas consideram que o julgamento é puramente político e que não há nenhuma razão que atinja à segurança do Estado que possa justificar a condenação. Acrescentam ainda que os activistas foram também condenados por um crime do que ao começo do processo não foram acusados -e, portanto, do que mal se podiam defender-, o da associação de malfeitores, algo que amostraria a falta de rigor e de garantias do julgamento. Em troca, a representante do MInistério Público, Isabel Fançony Nicolau, considerou que os jovens estavam a organizar uma sedição. O objetivo da atividade formativa de Julho de 2015 não era mais que o de "aprender a destituir o poder", alegam.
NOS_7933
A suma do PP e de Ciudadanos -48,5 por cento- aproximaríase ao teito histórico do centro-direita e da direita no Estado español de se confirmaren as tendencias dos últimos inquéritos publicados. Por separado obterían unha folgada maioría absoluta no Congreso. Coa fórmula dun PP hexemónico no espazo da direita e UPyD como complemento, as forzas conservadoras alcanzaron en 2012 49,33 por cento dos sufraxios (44,63 PP, 4,70 o virtualmente desaparecido partido de Rosa Díez). Un récord agora ao alcance da man para o unionismo conservador.
A crise do réxime de 1978 -traducida na quebra do sistema bipartidista tradicional- está neste momento a resultar nun escorregamento do eleitorado cara a posicións de direita ou centro direita [nesta análise falamos exclusivamente das forzas de ámbito estatal]. Aliás, sería un erro interpretar os dados nunha lóxica de esquerda-direita. En realidade, a chave que está a operar as mudanzas no taboleiro é esencialmente a nacional: isto é, a resposta que desde España -a realidade socio-política distinta das nacións sen Estado, Galiza, Catalunya e Euskal Herria- se está a dar perante a emerxencia do soberanismo e nomeadamente do proxecto de construción dun Estado catalán independente. Dito doutro xeito, o ascenso de Cs explícase basicamente porque o partido de Albert Rivera é neste momento o referente españolista con maior capacidade de crecimento. Éo por distintas razóns: porque é un partido aínda non contaminado pola corrupción -en contraste cun PP que apodrece por ela-, porque é unha formación relativamente nova -sobre todo en España, non tanto en Catalunya, onde naceu hai 11 anos- e porque entronca con certas tendencias na política internacional -o fenómeno Macron en Franza, o de Trudeau en Canadá. Cs, a diferenza do PP, é unha forza con atractivo para capas medias urbanas que no pasado votaron PSOE. O seu potencial de crecimento chega até o límite de Podemos, unha fronteira inalcanzábel para o PP. O ascenso de Cs explícase basicamente porque o partido de Albert Rivera é neste momento o referente españolista con maior capacidade de crecimento. Hai outro factor que explica a súa explosión: o apoio indisimulado de fraccións significativas do poder mediático, nomeadamente do grupo PRISA. Cs é neste momento para o diario El País -o mascarón de proa da compañía presidida por Juan Luis Cebrián- o que desde a súa fundación en 1976 foi o PSOE. Tanto que nas súas páxinas viu a luz este sábado o primeiro inquérito, facturado por Metroscopia, que coloca a formación liderada por Albert Rivera como primeira forza eleitoral do Estado. O inquérito atribúelle a Cs 27,1 por cento, face 23,3 por cento de PP e 21,6 por cento do PSOE de Pedro Sánchez. Xa moi lonxe das primeiras prazas aparecería Podemos e as confluencias, con 15,1 por cento. "Grazas ao seu talante pactista e pragmático e empoleirado pola crise catalá e a súa firme defensa da España constitucional, Cs conseguiu representar unha España centrista, reformista e dinámica", editorializa este domingo El País a xeito de interpretación da sondaxe de Metroscopia. Toda unha profesión de fe a favor do partido laranxa. A sondaxe de Metroscopia vai alén de todas as publicadas até o de agora ao colocar no teito histórico as expectativas de Ciudadanos (o promedio delas está recollido no gráfico de Electrograph que acompaña esta información), mais en todo caso a tendencia é a mesma en todas elas: o bloco do centro-direita e direita supera longamente o do centro-esquerda e esquerda, o que indicaría unha mudanza de fundo sociolóxica no eleitorado español. Até agora a plusmarca da direita española obtívoa o PP cando, con Rajoy como cartaz, en 2012 conseguiu a maioría absoluta con 44,63 por cento, percentaxe que completaría a UPyD de Rosa Díez co 4,70 por cento dos sufraxios (total: 49,33). Para facérmonos unha idea da profundidade da reviravolta bastaría un dado: nas primeiras eleccións após a ditadura, a direita obtería 42,65 por cento dos votos (UCD 34,44 por cento, AP 8,21), unha percentaxe inferior ao 43,11 do conxunto do centro-esquerda e esquerda (PSOE 29,32, PCE 9,33 e PSP 4,46). O bloco do centro-direita e direita supera longamente o do centro-esquerda e esquerda, o que indicaría unha mudanza de fundo sociolóxica no eleitorado español En todo caso, e de acordo co promedio dos inquéritos recollido por Electrograph -neles non se recolle o impacto da sondaxe de Metroscopia- o bloco conservador tería neste momento 48,5 por cento dos apoios (28 por cento PP, 20,5 por cento Ciudadanos), en tanto que o conglomerado progresista ficaría en apenas 40,1 por cento. Unha diferenza moi sustantiva, de 8,4 pontos. É certo que aquí cabe facer unha precisión: o eleitorado de Cs non se percibe a si propio como unha freguesía conservadora, senón que máis ben se autositúa no centro e con non poucas franxas de ex votantes de PSOE e até de Podemos. Mais obxectivamente neste momento o partido de Rivera é unha forza conservadora, quer polas súas formulacións en política económica -até máis neoliberais en ocasións do que o propio PP- quer polo seu desacomplexado españolismo en materia territorail. En todo caso, hai unha razón a primeira vista que explica o escorregamento do eleitorado español cara a latitudes conservadoras: a reacción unionista no Estado acha o seu vehículo natural na proposta centralista sen matices de Ciudadanos. Non pode ir pola vía do PP -queimado pola corrupción- nen pola do PSOE ou Podemos, vistos como demasiado ambiguos polos sectores da opinión pública española máis hostís ao nacionalismo (o discurso de Pedro Sánchez de nación de nacións ou a defensa de Iglesias dun referendo pactado ranxen en largos sectores da sociedade española). Mais ese non é o único factor. En Franza a cuestión nacional é residual e as formacións da esquerda -quer a socialdemócrata quer a de estirpe marxista- están moi fóra de foco, sen capacidade de disputar o poder político. Inquéritos Infogram
NOS_21019
O proxecto Apego presenta 'Vou para a cama'. Unha canción en galego para indicar e estimular ese momento tan especial de ter quer ir coller a almofada.
O momento de ir para a cama non é como os outros momentos do día. Sábeno ben os máis pequenos. Por iso Apego, proxecto para a socialización do galego na infancia, vén de presentar 'Vou para a cama', unha canción de Paco Nogueiras (autor do disco Brinca Vai!) que pode ser "un referente que indique, lembre e estimule ese momento". Con esta iniciativa achégase en galego un recurso, as cancións para estimular que as crianzas vaian para a cama, que si que existe noutros idiomas. Apego fai pública a canción e o vídeo do tema con letra e música do creador infantil Paco Nogueiras. Este vídeo súmase a outros da serie 'As aventuras de Po', que xa hai meses que se están a difundir na rede coa pretensión de achegarlles ás familias recursos en galego, e a través dos cales o polbo Po, mascota do Apego, ensina cores e froitas, os sons e nomes dos animais, as partes do corpo, a atar os cordóns, etc. Apego é un proxecto de dinamización sociolingüística que procura incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. O proxecto está desenvolvido de xeito cooperativo por 30 concellos de diferentes tamaños, características, etc., entre os que están as sete cidades galegas.
NOS_25199
O proxecto de Ponte... nas ondas! sorprende en Barcelona ao recoller o Premio Ondas na categoría de radio pola mellor cobertura informativa. Destacadas figuras da comunicación gabaron unha iniciativa que conxuga o ámbito escolar e o radiofónico.
Nos distintos actos que se desenvolveron en Barcelona con motivo da entrega dos Premios Ondas, os representantes da asociación Ponte... nas ondas! palparon o recoñecemento de coñecidas figuras do ámbito da comunicación por unha iniciativa de carácter social e cultural que xunta o ámbito educativo e o da radio en Galiza e Norte de Portugal. Santiago Veloso, voceiro da asociación, destacou na súa intervención que o Ondas era o premio a unha traxectoria de traballo que implicou a multitude de emisoras radiofónicas, escolas e xornalistas implicados no proxecto, entre eles o escritor músico e xornalista Xurxo Souto -membro do Consello de Administración de Sermos Galiza- que participaron na multitude de actividades desenvolvidas nas últimas dúas décadas. "Aproveitamos tamén para sinalar que este era un premio ao traballo das escolas públicas e agradecemos a todas as entidades e particulares que contribuíron a Ponte... nas ondas ademais de lembrar que seguimos a traballar para que o patrimonio inmaterial entre na Lista Representativa da Unesco", afirma Santiago Veloso aínda desde Barcelona, onde ademais do propio acto de entrega do premio, participou nunha recepción das persoas galardoadas co alcalde da cidade no Palacio de Albéniz onde puido de maneira máis intensa descubrir a admiración e a sorpresa que espertou a iniciativa que foi premiada entre 300 candidaturas presentadas. Ponte... nas ondas! aproveitou a viaxe a Barcelona tamén para presentar á colectividade galega o seu proxecto nun acto público. Mostra da oralidade Mentres diversos membros de Ponte nas... ondas! recollían o Ondas en Barcelona, nenos e nenas de Galiza e Portugal participaban nunha nova edición -a XII- da Mostra da Oralidade na que interviron Xoán Curiel, Migallas, Paco Nogueiras e a asociación cultural Fértil. A mostra facía parte da campaña pola inscrición na Lista Representativa da UNESCO do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués e ten entre os seus contidos narración oral, cantos, danzas, música, xogos de lingua e teatro popular como quedou á vista no auditorio Afundación de Vigo.- A actividade asistiron centros educativos de Caminha, Vilanova de Cerveira, Valença do Minho, Monçao, Melgaço, Salvaterra de Miño, Nigrán e Vigo.
NOS_34726
Desde o ano 2004, a fundación que coida o legado do pintor Laxeiro outorga recoñecemento a toda unha traxectoria cultural. Este ano será para Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938), cuxas achegas literarias son, entende o patronato da fundación, "non só indispensábeis senón mesmo basilares na configuración da Galiza contemporánea".
"Méndez Ferrín detectou o pole de ideas da cultura e do pensamento universais sempre dun xeito precoz, o que o colocou tamén constantemente nunha posición de vangarda", engade o fallo, que fai un rápido e informado repaso polas diferentes etapas da obra literaria do autor, da Nova Narrativa de Arrabaldo do Norte (1964) ás "tensións sociais da Galiza dos cincuenta e sesenta" en Antón e os inocentes (1976), e compara os seus volumes de relatos Crónica de nós (1980) e Arraianos (1992) con mestres do nivel de Rafael Dieste ou Julio Cortázar. O patronato da Fundación Laxeiro, que noutras ocasións distinguiu a poeta Luz Pozo, o escultor Silverio Rivas ou as escritoras María do Carmo Kruckenberg e Neira Vilas, tamén salienta a posición fundamental que, na literatura galega, ocupa a poesía de Méndez Ferrín. Entre os seus títulos figuran Con pólvora e magnolias (1976) ou Contra Maquieiro (2005). Ferrín recibirá o premio o vindeiro sábado 24 de febreiro de mans do presidente da fundación e mais do alcalde de Vigo -cidade onde se atopa a sede- Abel Caballero.
PRAZA_8136
O voceiro parlamentario do Bloque e número tres da candidatura ao Consello Nacional rexeita a existencia dunha "deriva soberanista" na formación e subliña que a aposta da nova dirección será procurar ser a "casa común" nacionalista
A seis días da XIV Asemblea Nacional do BNG os dirixentes da formación frontista, que dende o domingo terá como portavoz nacional a Xavier Vence, poñen o acento na aposta por volver ser "casa común do nacionalismo". O encargado de subliñar esta mensaxe foi este luns o voceiro do Bloque no Parlamento, Francisco Jorquera, quen vinte e catro horas despois de que o líder da corrente Abrente, Carlos Aymerich, considerase que ese carácter inclusivo da formación se perdera tras a Asemblea de Amio, asegura que a vontade da nova dirección vai ser "tender pontes" no ámbito do nacionalismo. Como xa expresou o propio Vence nunha entrevista con Praza Pública, Jorquera fai súas as verbas das teses que estarán a debate no plenario da asemblea para asegurar que o BNG tentará "ir cimentando a unidade do nacionalimso paso a paso" e iso implica "ir establecendo espazos de confluencia con outras organizacións", xa sexa "con outros colectivos nacionalistas" ou con persoas nacionalistas que non estean en "ningunha organización política". Neste sentido, subliña, as teses aprobadas polo Consello Nacional teñen en conta esta "nova realidade política", con "novas forzas nacionalistas que non están no BNG" Jorquera subliña que as teses da asemblea teñen en conta a "nova realidade política", con "novas forzas nacionalistas que non están no BNG" En calquera caso, Jorquera amósase convencido de que a cita asemblear servirá para que o Bloque recupere "a iniciativa política", potencie o seu "traballo social" e "revitalice o proxecto nacionalista". Nesta liña, o parlamentario respecta pero "non comparte" a decisión de Abrente de non entrar na nova Executiva, a cal o grupo de Aymerich asenta nas súas discrepancias coa liña política da organización, especialmente no que atinxe a poñer o acento no soberanismo e no achegamento aos grupos que o defenden. De calquera xeito, Jorquera non considera que exista "unha deriva soberanista" no BNG, senón máis ben unha "deriva centralista" no Estado que mesmo converte en "papel mollado" o réxime autonómico. Con todo, Jorquera dá por boa a aposta de Abrente por "permanecer" no Bloque, desbotando así a posibilidade de novas escisións. Así as cousas, conclúe, tras a culminación do proceso asemblear tocará "poñer en valor o feito" sen que haxa "ningunha involución". O que está en crise, asegura, non é o ideario do BNG senón "o modelo político da transición española", conclúe.
NOS_53182
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) estima a demanda que presentou a CIG contra a resolución da Dirección Xeral de Xustiza para implantar un sistema de carreira profesional do persoal ao servizo da Administración de Xustiza, que excluía o persoal interino.
A demanda da CIG para que se recoñecera o dereito do persoal interino á traxectoria profesional foi estimado polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). A sentenza non afecta ao persoal titular que xa cobra a traxectoria, tal e como o especifica o propio Tribunal. A central nacionalista presentara un recurso contra a resolución da Dirección Xeral de Xustiza, do 30 de xuño de 2020, pola que se fixera público o acordo do Consello da Xunta, alcanzado en xuño entre a Administración galega e as organizacións sindicais SPJ-USO, UXT e CCOO para implantar un sistema de carreira profesional do persoal ao servizo da Administración de Xustiza, que excluía o persoal interino. Substitución dos artigos anulados A Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG que estimou a demanda e anulou as disposicións impugnadas pola CIG, considera que son contrarias a dereito. Declara que o persoal funcionario interino pode participar na traxectoria profesional deseñada pola resolución do 30 de xuño e obriga ademais á Administración galega a substituír os artigos anulados por outros. Nestes novos debería fixarse o dereito do persoal funcionario interino da Administración de Xustiza da Galiza a participar no sistema de traxectoria profesional en igualdade de condicións que o persoal funcionario de carreira, así como o seu dereito para acceder aos réximes ordinario e extraordinario de acceso aos distintos graos do sistema. Reforza outras sentenzas A CIG-Xustiza considera que esta sentenza reforza outras moitas xa ditadas por distintos xulgados de todo o país, en demandas individuais do persoal interino afiliado á CIG, nas que se condena á Administración galega a tramitar as súas solicitudes presentadas e que no seu día lles foron denegadas por non ser funcionarios de carreira. A través dun comunicado critican a postura doutros sindicatos que "asinaron o acordo de implantación da traxectoria profesional que, de maneira intencionada e para contentar á Administración, os excluíron do acordo". Ademais denuncian que nalgúns casos quixeron remedialo pedindo que recorresen e ofrecéndolles os seus servizos xurídicos.
NOS_29917
O persoal da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo) mantivo esta cuarta feira unha xornada de mobilizacións á espera da resolución do Tribunal Supremo sobre o ERE proposto pola multinacional. Ao feche desta edición aínda non se fixera pública a decisión mais desde o comité de empresa seguen a insistir que a decisión "é política".
O Tribunal Supremo (TS) reuniuse esta cuarta feira pola mañá para decidir o futuro da última planta de aluminio primario que queda no Estado español. Tiña por diante analizar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que declarara nulo o expediente de regulación de emprego (ERE) polo que Alcoa quere despedir a 524 traballadoras e traballadores da súa planta en San Cibrao (Cervo). O alto tribunal español, que non fixo pública a súa resolución antes do feche desta edición, tiña que resolver se ratificaba a "mala fe" da multinacional ou daba por válido o recurso presentado por Alcoa. As razóns achegadas polo TSXG en decembro do ano pasado sinalaran que "a fin única e primordial que guiaba a empresa era apagar as cubas e fechar a fábrica da forma máis rendíbel posíbel". Alcoa e a xustiza A presenza da multinacional nos xulgados non foi menor nos últimos anos. Desde que adquirira a empresa pública Inespal en 1997, con plantas industriais en varios lugares do Estado español, o proceso de venda das fábricas foi intenso até quedar en 2018 coa factoría de San Cibrao e as de Avilés e A Coruña. Estas últimas atravesaron un proceso semellante ao que están a vivir na Mariña e do que aínda se está a ocupar a xustiza. Sobre este proceso, o pasado mes de xuño, a Audiencia Nacional condenara a Alcoa a indemnizar e recolocar o persoal dos centros que tiña na Coruña e Avilés por incumprir o convenio. Tensa espera na factoría de San Cibrao O comité de empresa de Alcoa convocara para onte unha xornada de mobilizacións diante da propia entrada da factoría con concentracións ás 11 horas e ás 20 horas ademais de manter a folga e deixar acceder ás instalacións só aos servizos mínimos estabelecidos. Cunha barricada en chamas quixeron demostrar que non abandonarán a súa reivindicación, algo que deixaron evidente tamén na comparecencia que realizaron diante os medios de comunicación. "Calquera das decisións que tome o Supremo ten que ser o acicate para que dunha vez por todas deixen de marear aos traballadores", afirmaba o presidente do comité, José Antonio Zan, "déixense de promesas e póñanse cos feitos", pedía con insistencia. Sen saber aínda cal sería a decisión do TS, o sindicalista aseguraba que "o que temos claro é que, gañemos ou perdamos, seguiremos dependendo de que o Goberno español faga o seu traballo". Nese sentido, Zan precisaba que, aínda que o comité confía nunha resolución que ratifique a nulidade do ERE que quere levar a cabo a multinacional, tal e como no seu día se pronunciara o TSXG, "esa non é a solución, ten que ser política e ten que vir por parte dos políticos", lembrando, ademais, a promesa que lles fixo "a ministra (Reyes Maroto), publicamente, e connosco en privado moitas veces, de comprometerse a facer unha intervención temporal" da fábrica para a súa posterior "venda a un terceiro". Zan remataba sinalando que "ese compromiso non o está cumprindo, mais é que ademais o Parlamento da Galiza e o Congreso votaron o mesmo. Se os deputados e parlamentarios votan e non se cumpre o que votan. Entón é mellor que se vaian todos para a súa casa". Tomé pide a intervención O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, demandou onte a "intervención" do Goberno español na planta de Alcoa en San Cibrao e da Xunta na factoría de Vestas en Viveiro. Estas propostas realizounas antes da presentación dun programa para empresas da provincia. Tomé subliñou que, desde o primeiro día, a institución provincial propuxo que "se era necesario facer unha intervención que salvase os postos de traballo e a empresa, había que facela" e deu a "benvida" á Xunta por mostrarse "recentemente" partidaria desa "intervención".
NOS_39947
A principal mensaxe que enviou a CIG coas súas mobilizacións desta cuarta feira nas cidades galegas é que o novo goberno español debe pasar dos xestos aos feitos. Se o PSOE conseguiu apoios suficientes para derrubar o Goberno Raxoi vía moción de censura, debe facer o propio para botar abaixo xa a reforma laboral. Así o defendeu Paulo Carril, o secretario xeral da central nacionalista, durante a súa intervención na concentración realizada na Coruña. "Goberne quen goberne, a CIG non se vende" foi un dos cánticos estreados pola central nacionalista nestas mobilizacións. Un claro recado ao novo executivo estatal.
A greve xeral do 19 de xuño -convocada en solitario pola CIG- era unha moción de censura contra o Goberno Raxoi. Caído este -a central nacionalista considera que a presión na rúa foi un dos factores que tornou insustentábel a permanencia do PP no goberno do Estado-, a CIG trocou a greve -formulada contra un goberno que xa non existía- por unha xornada de mobilización nacional, sob o lema de "Xa é hora de recuperar os nosos dereitos". O propósito é non baixar a garda e non perder o pulso do combate social. As cidades galegas e as principais vilas cabeceira de comarca acolleron este 19X as novas accións da CIG na rúa. "Os dereitos non veñen do diálogo social nen os concede ningún goberno alegremente", alegou Paulo Carril na súa intervención de clausura da marcha na Coruña. O secretario xeral da central nacionalista advertiu do risco de caír no engado dos xestos baleiros de contido que, ao seu xuízo, podería despregar o novo Goberno español. E nesa dirección alertou da mudanza no discurso de Pedro Sánchez. Na oposición prometía a derrogación da reforma laboral. Agora -afirmou- comeza a se desdicer alegando falta de apoio parlamentar. Contra-argumenta Carril a este respeito que se o PSOE foi quen de conseguir os votos necesarios para tombar Raxoi tería tamén que ser capaz de os reunir para anular a reforma laboral. "Non valen reformiñas nin maquillaxes" clamou Carril, quen a seguir instou Sánchez a que procure a correlación de forzas necesaria no Congreso para mudar as políticas do PP. Se non axir nesa dirección, estaríamos perante unha moción de censura fraudulenta. "A reforma laboral debe ser totalmente derrogada e se non o fan é porque están de acordo con ela", alegou. Non desistir da mobilización A mobilización é o camiño para a reconquista dos dereitos perdidos. Esa idea percorreu o discurso da CIG -as faixas, as palabras de orde, as intervencións-. Insistir na vía do chamado pacto social -coa que están comprometidas CC OO e UXT- non leva máis que a lexitimar políticas xa fracasadas. "Resulta lamentábel ver outra vez o papel derrotista da UXT e de CC OO", afirmou Carril, quen tildou de "perversa·" o que chamou a "ideoloxía da concertación social". "Por aí non virán as solucións ao empobrecemento xeneralizado, nin o remate das novas formas de contratación que escravizan as condicións de traballo, nin acabaremos cos baixos salarios e a pobreza laboral", alegou. Multitudinaria manifestación nas rúas de #Vigo esixindo ao goberno do #PSOE a fin inmediata das políticas antiobreiras. Reforma laboral: derrogación xa!! #19xCIG pic.twitter.com/I70st2ji3j— #19XCIG (@galizaCIG) 19 de junho de 2018
NOS_29246
Groucho Marx, o célebre cómico norteamericano, tomaba o feito de acender a televisión como excusa para desprazarse a outro cuarto e abrir un libro. Hoxe a Groucho seríalle algo máis difícil escapar da influencia e omnipresenza dun medio, a televisión, indisociábel da nosa cultura popular, a nosa maneira de entender a imaxe, a nós mesmos, e a realidade. A "caixa tonta" non é tan tonta e hai décadas que transcendeu da mera pantalla do salón para ser unha cousa de varios brazos e soportes, con acceso ao móbil, ao ordenador e con novos modos de contar o que pasa ou entreter. Novas narrativas, novas cousas que contar onde a identidade se entretece coa sensibilidade, o humor, a ironía ou as linguaxes en tendencia, a televisión reinvéntase na Galiza e tamén en Portugal para chegar á mocidade. Sermos Galiza puido falar con responsábeis da Corporación de Radiotelevisión da Galiza (CRTVG) e a Rádio e Televisão de Portugal (RTP) para saber como ollan o presente e o mañá.
Unha parte da historia da Galiza contemporánea puido comezar co "aquí pasou o que pasou" da célebre sesión do Parlamento Galego (aínda no reitorado da universidade compostelá) o 18 de novembro de 1986. Nesa pequena sala, case abafante, recollendo as palabras do deputado de Coalición Popular, Iglesias Corral, nun contexto onde se temía pola caída do gabinete do daquela presidente Albor, estaban varias cámaras de televisión que xa recolleron os risos dos deputados antes incluso de que se fixera público o diario de sesións. A historia xa comezaba a circular, aquí, por cables distintos e fóra das rotativas do día seguinte ou do mero corte de audio. A historia xa tiña imaxes en directo para os arquivos políticos do porvir. A Televisión de Galiza, aquí, comezaba a emitir apenas un ano antes, no 85, cando once anos atrás as instalacións da RTP puxeron imaxe nova ao novo estado, á República Portuguesa, en democracia, que deixaba vello o Estado Novo de Salazar. Entre as primeiras estancias que ocuparon o exército estaban a radio e a televisión, e por algo sería. A televisión, na imaxe, a crear un novo xeito de ollarnos. Se a historia dun país hoxe non pode prescindir da imaxe que amosa a televisión del, tampouco pode prescindir, din as fontes consultadas, dunha imaxe no século XXI para un novo -e cambiante- público. No último festival do Carballo Interplay púxose enriba da mesa un debate que deixou atrás o vello conflito de se a televisión ía durar, conflito que lembra ao debate do século pasado sobre a desaparición da radio; "sempre se falou de que ía desaparecer, e mira que ocorreu cos podcast", conta Rogério Gomes, xornalista, traballador durante máis dunha década na televisión pública portuguesa e agora xestor do proxecto RTP Lab, a aposta do medio público portugués por unha nova televisión en liña, con contidos e formatos anovados, para públicos "que xa medraron cun móbil na man". "A principal intención do RTP lab foi precisamente chegar á mocidade. Son contidos que queren ter protagonistas novos que son tamén quen as producen e escriben", expón Gomes, que explica como se repetía a mesma situación en varias facultades do país luso, no que xeracións e xeracións de persoas mozas, enchidas de talento, non atopaban un oco nun mercado "moi competitivo". Ambos os proxectos expostos no Carballo Interplay, o da CRTVG e o da RTP, apostan por chegar a novas audiencias mais con vías diferenciadas, tal e como expón Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay e moderadora no coloquio: "Son modelos diferentes, a TVG abriu xa a colaboración a multiplataformas, ten canle de Youtube, traballa en Twitch e en Instagram, hai unha tendencia da Galega a abrirse a esa multiplataforma. A RTPLab é un lugar onde houbo unha convocatoria para traer creadoras e creadores á RTP, hai unha apertura cara a novos creadores mentres a CRTVG traballa máis desde a produción propia", remarca a actriz, que ademais pon o foco no cambio do debate, xa que, a día de hoxe "queremos saber cara a onde camiñan as estratexias dixitais das televisións. Queremos coñecer o debate sobre o tipo de contido que poden ofrecer as televisións públicas. Ninguén dubida que un rapaz que queira consumir contido non vaia ter como primeira opción a televisión lineal, pero iso non implica que a televisión non estea presente doutro xeito". A televisión é algo con futuro máis aló do salón da casa, segundo traslada, da súa parte, Xosé Pereira, actual director da Área de Innovación e Negocio da CRTVG: "A televisión é capaz de xuntar xente distinta a unha mesma hora nun mesmo sitio. Todos os días xuntamos xente diferente a ollar o Telexornal. Non traballamos baixo a demanda específica, senón baixo a concorrencia, por iso a televisión é tan competitiva cos directos. Non nos apuremos moito en matar a tv, está na UCI, mais non en paliativos. Para min o éxito está na combinación das posibilidades de todos os soportes". Dialogar coa mocidade Da banda da radiotelevisión pública portuguesa Rogério Gomes detalla que o obxectivo de RTP Lab era que a mocidade fixese produtos para a mocidade: "O que quixemos facer co RTP era que os mozos nos amosasen que podían facer e nós estarmos alí para axudar, queriamos dialogar coas propias universidades, para ver o que estaba acontecer… Facemos choivas de ideas, de proxectos, hai veces que nos amosan unha idea e logo hai veces que nos amosan o proxecto xa case rematado", relata. A situación laboral, expón o xornalista luso, non dista da que tamén puido observar na Galiza, con mozas e mozos que "poden ter moito talento, moitas ideas, pero non atopan portas. Quen está nun mercado tan pequeno non quere perder o seu lugar". No seu caso, Gomes gábase de poder dar a man ás novas creadoras e creadores de contido para que den o salto moito máis aló da multiplataforma, para entrar, tamén, no espazo máis recoñecido da tv: "Felizmente xa temos casos de xente con 23 ou 24 anos que amosan o seu talento e agora xa están a producir para a televisión lineal, con mellor orzamento e maior ambición, conseguiron inserirse no mercado. O RTP Lab pretende apoiar os novos talentos, sobre todo a que medren e teñan acceso ao mercado global portugués". Novos contidos Nesta década que se prevé de gran cambio non só importa ese novo formato, é dicir, consumir ese contido no móbil, na tablet ou na televisión intelixente, senón que se está a contar. Gomes é consciente dunha realidade onde as novas mensaxes culturais, sociais e, sobre todo, políticas, estanse a facer oco na grella e non están a ser postas en relación cun potencial público mozo que busca eses temas xa fóra da televisión tradicional: "A idea é que esta nova linguaxe, que a mocidade domina, sexa transportada a multiplataformas. Esta nova xeración vai medrar e vai ser o público maioritario; se a televisión lineal quere existir terase que adaptar a esta nova xeración, que será a xeración media que xa ten o móbil como prolongación do corpo". As canles públicas, na procura de novas identidades e soportes para o público de hoxe e do mañá Esa "nova linguaxe" que di Gomes non deixa de ser unha baixada a terra para entrar no modo de falar da mocidade, nos seus intereses e, sobre todo, na consciencia de que para achegar un contido a un público hai que contar con parte dese público para a elaboración da serie, do programa ou da peza audiovisual: "Nós non facemos unha televisión para masas. Por exemplo, non precisamos introducir por criterio comercial unha identidade nova para gañar espectadores, unha identidade caricaturizada, senón que podemos amosar un contido onde esa comunidade diversa non só se vexa senón que tamén, e o máis importante, se sinta representada", conta Gomes, que incide en que o público portugués está a ver como "non tratamos os temas dunha forma estereotipada ou escrita por xente allea ao seu colectivo"; algo que, sostén o xornalista, está en relación coas metas dunha televisión pública: "A RTP non ten obrigas comerciais, non ten a obriga de chegar ao maior beneficio. RTP ten que chegar, sobre todo, a todos aqueles grupos que non se senten representados, ás minorías que non se ven representadas na televisión de masas. A nova xeración xa naceu en Internet, xa naceu para definir o que quere ver, á hora que o quere ver… Iso non vai mudar, a tv, os medios de comunicación, ímonos ter que adaptar a esas novas tendencias". Cambio simbólico Na beira da televisión pública galega a aposta segue igual de remarcada: non hai alternativa ao espazo que ofrecen as -xa non tan novas- plataformas. Xosé Pereira, da CRTVG, pon o ollo tamén na mocidade e nun "cambio simbólico e máis aló do simbólico" da imaxe da TVG non só no que amosa, senón en como o fai: "Cando falamos de transformación dixital do medio enfocamos isto desde catro puntos de vista. O primeiro é todo o que ten que ver coa estratexia tecnolóxica, o que nos fai falta para colocarnos no dixital, servidores nube, ferramentas… Logo hai unha estratexia pensada nos procesos, como faciamos as cousas e como as temos que facer desde agora. Isto vai desde a redacción até a mesa onde se toman as decisións". Pereira remarca o eido da innovación, o asunto, difícil, de enganchar novos públicos na televisión que aínda garda como buque insignia o Luar, cunha audiencia cada vez máis avellentada: "Como facemos que a xente nos consuma? Preocúpanos moito o formativo, e imos lanzar en breve unha plataforma que pretende dar unha experiencia de formación diferente a todos os rapaces da Galiza. Como iso non existe temos que apelar aos organismos públicos para levalo adiante. Logo está a estratexia de contidos, que contidos facemos para redes sociais e, logo, como colocamos eses contidos? Nós apostamos polo Dígocho eu ou as experiencias de Twitch". "Se a televisión liñal quere existir terase que adaptar a esta nova xeración, que será a xeración media que xa ten o móbil como prolongación do corpo", di Gomes, da RTP O xornalista galego debuxa unha estratexia onde a produción deses contidos está atravesada xa polo dixital, cos cambios de modelo que iso implica, un adeus a rutinas de traballo ou xeitos de producir máis próximos ao mundo analóxico que ao dixital, que xa forma parte do presente: "De nada vale facer investimento tecnolóxico e idear novos contidos se non hai consecuencia inmediata nos maquinistas, na xente que traballa para que o tren ande. Todos os traballadores da casa, desde o informativo, xornalista até o creativo, realizadores, pasando polo técnico, o de sistemas, teñen que entender que cambian procesos e fluxos, para iso temos que facer un esforzo importante de explicación e cambio, para iso precisamos a complicidade dos traballadores". Admite o responsábel de Innovación da televisión pública galega que houbo "momentos de fricción" onde se tiveron que levar aos tribunais os cambios e, noutros casos, houbo procesos de implantación "máis amigábeis, onde fomos capaces de explicar ben e os traballadores entenderon os retos que tiñamos que cometer. Hai un proceso entre unha cousa e outra, non sempre acertamos, obviamente, pero temos claras as directrices", explica Pereira. O reto laboral Outro dos retos neste novo mundo é o laboral, cos consecuentes dereitos do traballo. En todas as redaccións dixitais do mundo estamos a ver como é xente moza quen está a ocupar postos de nova creación. A dúbida: o novo traballo irá máis aló dunha bolsa ou dun contrato en prácticas?: "Cando vén xente nova, con ganas, dámoslle un espazo de creación con bastante autonomía. Entendemos aquí que as persoas que están en réxime de prácticas teñen un proceso formativo moi elevado, por iso se enmarcan sempre en grupos de traballo máis consolidados", detalla Pereira, que incide que, mentres que a persoa espectadora ve caras mozas, hai en realidade equipos enteiros detrás onde participan tanto persoas consolidadas da casa como novas incorporacións. Sempre, detalla o xornalista, está a atención ao específico de cada formato. Non é o mesmo certo contido -nin o xeito de facelo- para a televisión lineal que para unha plataforma en rede ou redes sociais: "Para nós é imprescindíbel atender as necesidades do soporte, no dixital as características que máis atendemos é a idade dos usuarios, se queremos chegar a un público novo os camiños dixitais son os axeitados, o que non quita que deixemos de lado televisión ou radio". Pereira coincide con Gomes en que esa proximidade á mocidade que buscan as grandes canles está tamén condicionada polo que queren contar, polo relato elaborado onde interveñen o social e político: "Unha vez que decidimos sobre o tema achegamos os debates que a xente agarda escoitar nas redes que nos colocamos, para a xente moza debates como o ecoloxismo ou a diversidade son máis activos, tamén o facemos en televisión, pero de modo distinto. Tamén hai debates sobre o lingüístico. Niso xogamos, cos grandes debates na sociedade", declara. A lingua galega como batalla, tamén, nas bambalinas da televisión Xosé Pereira explica como a produción en galego se atopa, tamén desde o executivo dunha canle pública, con atrancos en Europa e na globalización para facerse ver: "Teño que recoñecer que estamos loitando polo recoñecemento da lingua galega nas grandes plataformas. É unha situación indignante. Os algoritmos das grandes operadoras tenden a fomentar a aquelas linguas que consideran maioritarias. Teñen unha expresión que se chaman "linguas de confianza", e as linguas minorizadas como de "non confianza"". Explica Pereira -admite ter levado até consulta europea o feito de pór a mensaxe das cookies do sitio web da CRTVG en galego- que "falar galego ou español non aportan maior ou menor confianza, a lingua non ten per se eses valores connotativos. Están a discriminar o galego. Cando falo de grandes operadoras, falo de Google, penalizan a nosa audiencia. A CRTVG fala en galego, só en galego, polo que os resultados en galego sempre aparecen debaixo do castelán. Google decide que o castelán ten moitas máis oportunidades que o galego, o cal non é así", denuncia. A construción da imaxe do país O cambio xa transcendeu das cifras e seguimento para chegar ao simbólico, a esa televisión como imaxe da sociedade á cal se dirixe. Se, como di Manuel Rivas en Os Grouchos, ningunha casa galega é recoñecíbel sen pingueira, ningunha casa galega é recoñecíbel sen ter pasado, sequera uns polo Luar. A imaxe do programa e do seu presentador, Xosé Ramón Gayoso, transcendeu do popular ao kitsch, ao meme nas redes, para chegar hoxe, di Pereira, a un certo relevo ollando a unha nova década de televisión: "Como todos os anos, nós facemos promocións do que ofrecemos, promos máis xerais, outras de informativos, outras de entretemento e demais. Comentei con produción que cría que debiamos empezar inculcar o discurso dixital na narrativa televisiva. Se queremos afondar no papel identitario da CRTVG na construción da Galiza, debemos ir por alí. A promo primeira foi moi curiosa, non estaba o programa insignia como o Luar, senón o Dígocho Eu, si nos pareceu unha mensaxe interesante. Como canle quixemos trasladar a mensaxe de que nos preocupan outros públicos. Desde o simbólico, importante", finaliza Pereira.
NOS_49124
Movimentos no seo da fronte nacionalista. Algúns alcaldes próximos ao líder da corrente Abrente, Carlos Aymerich, son partidarios de ir ás municipais en listaxes abertas.
O debate sobre a forma de concorrencia do BNG ás eleccións municipais está aberto. No seu discurso do 25 de Xullo, o portavoz nacional, Xavier Vence, marcou o camiño no que aposta a dirección da fronte nacionalista: unidade, si, mais dentro do proxecto nacionalista, ou sexa, sen vínculos con organizacións políticas que teñen o seu centro de decisión en Madrid. O BNG considera que na actual conxuntura política -marcada pola dialéctica entre as nacións sen Estado e Madrid, e nomeadamente polo ascenso do independentismo en Catalunya- sería un suicidio político para Galiza que o nacionalismo fixese un mutis polo foro nunhas eleccións da transcendencia das municipais, pórtico, aliás, das xerais que Rajoy debería convocar a finais de 2015. "Aquí vaise acabar abrindo un proceso que ou ben será de reforma da Constitución ou ben será constituínte e nel a Galiza ten que ser actora e non espectadora. Iso pasa polo fortalecimento do nacionalismo", afirman fontes da dirección do BNG a Sermos Galiza. "O Día da Patria Galega viuse que hai cancha para alargar e fortalecer o espazo do nacionalismo na Galiza. Hai potencial e o noso obxectivo é ensancharmos a base social do soberanismo. Daí que teñamos convocadas as asembleas abertas ao longo de todo o País". "Aquí vaise acabar abrindo un proceso que ou ben será de reforma da Constitución ou ben será constituínte e nel a Galiza ten que ser actora e non espectadora", din a Sermos Galiza fontes da dirección do BNG Esa posición da dirección non a partillan algúns alcaldes do BNG situados na contorna máis próxima ao líder de Abrente, Carlos Aymerich. Soberanistas con militantes da esquerda española Aymerich ten defendido, nun artigo publicado en Praza.Gal, a conveniencia de o nacionalismo engrosar candidaturas cidadás abertas, isto é, listaxes en que as e os soberanistas deberían conviver con militantes da esquerda española. Segundo publica esta cuarta feira o Faro de Vigo, nunha información asinada por Daniel Domínguez, alcaldes do BNG como os de Bueu, Vimianzo, Zas ou Monforte respaldarían agora ir nas municipais en candidaturas abertas á participación de IU ou Podemos. "Contaría na súa listaxe con militantes de EU de se producir o caso?", pergunta Faro de Vigo ao alcalde de Bueu, Félix Juncal. "Por suposto", responde este, quen apela ao BNG a que sexa "permeábel aos sentimentos da cidadanía a favor da converxencia e na procura de afinidades".
NOS_47075
Os campos de concentración facían parte dun plano preconcibido polos fascistas destinado a sementar o terror e a eliminar o adversario político. Articulados en función das necesidades políticas do réxime, a súa apertura veu condicionada polos acontecementos bélicos no conxunto peninsular. Achegamos nesta ocasión a crónica do centro de confinamento de Oia e dos presos políticos alí detidos. Eis un extracto da información publicada no número 353 do semanario en papel Sermos Galiza.
O campo de concentración de Oia situábase nas instalacións do antigo mosteiro da localidade. Malia que a inspección de campos de concentración desaconsellaba a apertura deste centro de confinamento agás "en casos moi extremos" por atoparse "excesivamente illado", a gran cantidade de presos políticos xerados polas decisións do franquismo obrigou a habilitar este complexo relixioso como campo de concentración. As edificacións do mosteiro de Santa María de Oia, fundado no século XII e desamortizado en 1835, foron vendidas naquela altura polo bispo de Tui, entrando nunha situación de abandono da que só se recuperaron en parte entre 1910 e 1932 ao alugalo como colexio os xesuítas expulsados de Portugal. Clausurado o centro educativo, as instalacións, xa moi deterioradas, serán recuperadas como lugar de detención de demócratas e antifascistas de todo o Estado, que deixarán pegada da súa estadía nos debuxos e gravados repartidos polas paredes do complexo, onde ficaron as testemuños das súas convicións, preocupacións e esperanzas. Os primeiros presos políticos chegaron a Oia á volta de 1937. Segundo sinalou Carlos Meixome, un dos investigadores que máis e mellor estudou este campo, os primeiros reclusos entraron nos últimos meses de 1937, tratándose neste caso de milicianos do exército popular detidos após a caída da fronte norte, volvéndose reabrir, tras practicamente un ano fechado, a comezos de 1939. As anotacións de Herminio Ramos, alcalde e historiador local de Baiona, permítennos coñecer as chegadas dos primeiros prisioneiros a Oia a través do porto de Baiona, indicando o 20 de febreiro a arribada de 2000 persoas "procedentes de Francia e da fronte de Cataluña, levados en camións para Santa María a Real de Oia". A práctica totalidade dos confinados neste campo de concentración ao longo de 1939 serán cataláns que formaban nas unidades voluntarias do exército popular e que conformaban as derradeiras forzas de choque antifascista. [Podes ler a información íntegra no número 353 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
NOS_54218
O presidente da Fundación Galiza Sempre, Guillerme Vázquez, di nunha entrevista concedida á Radio Galega que face as escasas responsabilidades políticas e penais en casos de corrupción "ten que haber castigo social" porque, di, "ou a xente castiga esas prácticas ou seguirán existindo".
Guillerme Vázquez participou esta terza feira no programa Galicia por Diante da Radio Galega. O presidente da Fundación Galiza Sempre abordou o problema da corrupción en conversa co xornalista Kiko Novoa. En relación ao levantamento do segredo de suamario da Operación Pokemon e dos últimos dados coñecidos, o que foi portavoz do BNG entre 2009 e 2013 asegurou que embora "o problema da corrupción" ser "bastante" xeralizado, "porque hai corruptores e corruptos", tamén existe --dixo-- "un deliberado labor ideolóxico e político para transmitir á xente a idea de que a política é un noxo, que todos os políticos son iguais". Para Guillerme Vázquez esta "estratexia" visa espallar entre a sociedade a idea de que tod@s @s representantes públic@s son "corruptos" e criticou aquelas voces que "falan dos políticos" en troca "das políticas" que coidou, "é o importante". "Existe un deliberado labor ideolóxico e político para transmitir á xente a idea de que a política é un noxo, que todos os políticos son iguais" Neste senso, o presidente da Fundación Galiza Sempre amosouse certo de que é a sociedade a que "debe tomar cartas no asunto" face as escasas responsabilidades políticas e penais que deveñen dos casos de corrupción. Vázquez sinalou que, ao seu entender, "a sociedade é moi tolerante" con estas prácticas pois, dixo, "pódese estar despotricando moito, pondo o grito no ceo, mais á hora da verdade vólvese votar masivamente aos mesmos corruptos". Neste senso, indicou que "debemos reflexionar colectivamente" e das un "castigo social" porque, apuntou, "ou a xente castiga esas prácticas ou seguirán existindo".
NOS_54371
Os nacionalistas avogan por suprimir a barreira do mínimo do 5%para acceder o Parlamento e por fixar un sistema proporcional directo para a asignación de escanos no canto da Lei D'Hont.
O BNG presentará nos vindeiros días a súa contraproposta ao proxecto do PP de recortar os escanos do Parlamento de Galiza ao mínimo permitido polo Estatuto. Para a fronte nacionalista, o proxecto dos populares pretende "deixar en papel mollado" mesmo o título de nacionalidade histórica que a Constitución atribúe a Galiza. Unha proposta a do PP coa que Feijóo, incide o BNG, só procura "cambiar unilateralmente as regras de xogo para aferrarse ao poder" A alternativa que elabora o Bloque,incluirá unha proposta de modificación da actual Lei Electoral co obxectivo de dotar de maior representatividade ao sistema e acadar que a composición da Cámara se axuste o máis posible ao voto expresado nas urnas pola cidadanía. Maior representatividade Neste sentido, unha das medidas que inclúe a proposta que elabora o BNG é suprimir a porcentaxe mínima do 5%, en aras dun maior pluralismo político no Parlamento, tendo en conta que, nos últimos comicios autonómicos, máis do 7% dos votos emitidos polos galegos e galegas quedaron sen representación na Cámara. Igualmente, a formación nacionalista propón superar o mínimo de representantes por provincia e establecer un sistema proporcional directo para a asignación de escanos, en substitución da Lei D`Hont. Esto permitiría reducir o enorme desequilibrio no peso do voto entre as provincias, dando paso a un sistema no que cada deputad@ representa o mesmo número de votos, con independencia da provincia pola que fose electo.
PRAZA_20418
O proxecto inclúe a plantación de castiñeiros, abeleiras, nogueiras e cerdeiras en 37 leiras da parroquia de Piñeiro. "Somo un dos poucos concellos galegos nos que se aposta por unha política activa de prevención, dando valor ao monte", salienta o concelleiro de Medio Ambiente, Javier García Barbanza e Baixo Miño, comarcas con peor cobertura de medios aéreos contra incendios
Nas últimas semanas falouse moito das "árbores bombeiras", á raíz do incendio de Pedrógão Grande e dalgunhas imaxes moi viralizadas a través das redes sociais nas que se podía ver como determinadas especies arbóreas autóctonas -castiñeiros, carballos, sabugueiros, oliveiras...- salvaran da queima, protexendo ademais unha quinta á que rodeaban. Non era nada novo, só a constatación de que certas árbores tardan máis en arder e non favorecen a extensión dos incendios, a diferenza de especies pirófitas coma o eucalipto ou o piñeiro. O proxecto piloto inclúe a plantación de 1000 castiñeiros, abeleiras, nogueiras e cerdeiras O Concello de Ames iniciou o pasado inverno, dentro do seu plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, un proxecto piloto que inclúe a plantación de 1000 castiñeiros, abeleiras, nogueiras e cerdeiras en 37 leiras da parroquia de Piñeiro que abranguen unha superficie de arredor de dúas hectáreas. "O obxectivo é repoboar as faixas secundarias de xestión de biomasa con especies que arden menos, frondosas caducifolias, para reforzar a prevención", destaca Javier García, concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Polo de agora plantáronse xa 654 árbores en 23 leiras que abranguen uns 10.100 metros cadrados e tralo verán completarase a primeira parte deste proxecto piloto coa plantación das restantes. A iniciativa levouse a cabo tras asinar convenios cos propietarios e propietarias dos terreos para a xestión, roza e repoboación, no marco do plan de actuacións preventivas para a protección do espazo rural e dos asentamentos de poboación. A intención do concello é que o proxecto se estenda nos vindeiros anos ao resto do termo municipal, incrementando así a protección contra o lume. "Trátase dun proxecto pioneiro", destaca Javier García, que salienta "Ames é un dos poucos concellos galegos nos que se aposta por unha política activa de prevención, dando valor ao monte". "Somos un dos poucos concellos galegos nos que se aposta por unha política activa de prevención", salienta Javier García Ames sufriu nos últimos anos importantes incendios, moi perigosos sobre todo ao tratarse dun municipio con importantes masas forestais e ao mesmo tempo moi poboado e con asentamentos moi diseminados, polo que o lume en moitas ocasións se achegou vivendas e núcleos. De feito, como detallou a investigación España en Llamas da Fundación Civio, entre os anos 2001 e 2014 Ames sufriu 389 incendios de máis dunha hectárea, que arrasaron 1.110 hectáreas de terreo, sendo o 67º concello galego con máis incendios importantes e o 94º no conxunto de España. O plan municipal de protección ante emerxencias por incendios forestais do Concello de Ames inclúe un continuado traballo de prevención durante todo o ano, especialmente durante o inverno. "Temos que reforzar o traballo preventivo xa que é fundamental para evitar os lumes no monte durante a época estival", salienta a este respecto o alcalde, José Miñones. O Goberno municipal contratou unha brigada de prevención e extinción, formada por un xefe de brigada e catro peóns, que traballarán baixo as ordes do Distrito 3 no caso de que haxa algún lume. E cando non haxa incendios forestais este grupo de traballo realizará tarefas de prevención. Paralelamente, o Concello tamén se acolle á subvención da Consellería de Medio Rural, que financia durante a época previa ao alto risco unhas limpezas mediante un tractor mecanizado que está operativo nestes momentos. Ademais, o Concello de Ames acordou a contratación dos servizos dun tractor forestal e tractorista con cisterna e lanzadeira anti-incendios con dispoñibilidade para os días de alto perigo de incendios forestais.
QUEPASA_1069
Dous novos falecidos esta fin de semana, unha muller de 87 anos, n a residencia DomusVi de Carballo; e outra muller de 86 anos, na residencia DomusVi de Vimianzo, sendo xa 14 as persoas falecidas nesta terceira vaga na residencia vimiancesa.
Continúa medrando a incidencia do COVID na Costa da Morte, tras unha fin de semana que se salda con dous novos pasamentos nas residencias DomusVi, e cun incremento de máis de 100 casos con respecto ao venres. Son xa 998 os novos casos rexistrados nos últimos 14 días nos 19 #concellosQPC. Seguen preocupando as comarcas de Bergantiños e Soneira, ambas rexistrando unha taxa de incidencia acumulada rondando os 1.000 novos casos por cada 100.000 habitantes. Aumentan os casos na Laracha (que xa ten solicitado un cribado), e sobre todo en Carballo. Neste contexto, "para cando un cribado masivo de covid no concello de Carballo?", pregúntase agrupación municipalista Xuntos Carballo, despois de solicitar ás autoridades a realización de test masivos no concello carballés, deixando patente a idea de que a hostalería non é a culpable do aumentos dos casos. Cribado en Dumbría Mentres seguimos esperando polos resultados desenvoltos a semana pasada en Camariñas e Vimianzo (a caída de positivos mantense ata onte, e ao ser test PCR os resultados tardan uns días), o Sergas ofrece conclusións do cribado poboacional realizado o pasado xoves no Concello de Dumbría. Foi realizado a veciños de entre 18 e 60 anos, utilizando test de antíxenos (cuio resultado sábese en apenas 15-20 minutos). O número de veciños citados foi de 1.265, dos que 992 acudiron ao momento de cribado, o que supón unha participación do 78%. Pero o máis importante, é que o cibrado destapou 10 positivos por covid 19, un pouco menos do 1% da poboación que acudiu ao mesmo, unha cifra que suporía unha taxa de incidencia media tamén superior aos 1.000 casos por cada 100.000 habitantes. As comarcas de Carnota e Muros e Xallas mantéñense relativamente estables, rondando os 250 novos casos por cada 100.000 habitantes. A día de hoxe mantéñense os 10 ingresados no HVdX. Ensino Nos centros de ensino tamén segue aumentando a incidencia. Cos datos do pasado venres (aínda non se actualizaron), son 124 casos (21 casos máis en apenas 2 días) os activos, e 6 as aulas pechadas (2 menos) nos 43 centros afectados. Danse ademais os primeiros positivos ademais en Coles onde non había incidencia ata o de agora no que levamos de curso, como son o CEIP Praia de Quenxe de Corcubión, o CPR Ntra.Sra. del Carmen de Fisterra ou o CEIP Plurilingüe Santa Eulalia de Dumbría. Concello Centro Total Positivos Aulas Pechadas CABANA CPI As Revoltas 2 0 CAMARIÑAS CEIP Ponte do Porto 3 0 CAMARIÑAS IES Plurilingüe Pedra da Aguia 3 0 CAMARIÑAS CEIP O Areal 3 0 CARBALLO E.I As Landras 1 1 CARBALLO CEEPR Aspaber 1 0 CARBALLO CEIP Gándara-Sofán 1 0 CARBALLO IES Alfredo Brañas 11 0 CARBALLO CPR Artai 8 0 CARBALLO CEIP Bergantiños 4 0 CARBALLO CEIP Fogar 6 0 CARBALLO IES Monte Neme 6 0 CEE E.I. Municipal Vila da Xunqueira 1 1 CEE CEIP Plurilingüe Eugenio López 2 1 CEE IES Fernando Blanco 2 0 CEE IES Agra Raices 3 0 CORISTANCO CEIP de Bormoio-Agualada 1 0 CORCUBIÓN CEIP Praia de Quenxe 2 0 CORISTANCO EFAG Fonteboa 3 0 CORISTANCO CEIP Canosa-Rus 3 0 CORISTANCO CPI Alcalde Xosé Pichel 5 0 CORISTANCO CRA de Coristanco - Santa Comba 1 0 CORISTANCO CEIP de Bormoio-Agualada 1 0 DUMBRÍA CEIPP Santa Eulalia de Dumbría 1 0 FISTERRA CEIP Areouta 1 0 FISTERRA CPR Ntra.Sra. del Carmen 3 0 LAXE CPI Plurilingüe Cabo da Area 6 1 LAXE EEI de Traba 1 0 LARACHA CEIP Ramón Otero Pedrayo 9 0 LARACHA ES Agra de Leborís 4 0 MALPICA CEIP Joaquín Rodríguez Otero 2 0 MALPICA CEIP Milladoiro 4 0 MALPICA IES Urbano Lugrís 2 0 MAZARICOS CPI Plurilingüe da Picota 1 0 MUROS CEIP Ramón de Artaza y Malvárez 2 0 MUXÍA CEIP Virxe da Barca 1 0 MUXÍA IES Ramón Caamaño 1 0 SANTA COMBA IES Terra de Xallas 1 0 VIMIANZO CEIP Plurilingüe San Vicenzo 3 0 VIMIANZO EEI de Carnés 1 1 VIMIANZO IES Terra de Soneira 5 0 VIMIANZO CEIP Baíñas 1 0 ZAS E.I: Zas 1 1 ZAs CEIP Labarta Pose 1 0 TOTAL 43 124 6 Máis novas sobre o covid 23-01-2021: COVID: A Laracha solicita un cribado masivo. 21-01-2021: COVID: Bergantiños volve ser o gran foco 20-01-2021: COVID: Aumenta tamén a incidencia nos centros de ensino. 19-01-2021: COVID: A Laracha, Cabana, Coristanco, Dumbría e Muxía, tamén en nivel máximo de restricións. 18-01-2021: COVID: Preocupación en Carballo ante o novo gromo na Residencia DomusVi. 17-01-2021: COVID: O Sergas fará esta semana un cribado masivo de 6.000 persoas en Camariñas e Vimianzo. 14-01-2021: Vimianzo pon o foco… nos clubs. 13-01-2021: COVID: Carballo, Cee, Camariñas, Laxe e Vimianzo, no nivel máximo de restricións / Chegan as primeiras vacinas ao HVdX. 13-01-2021: COVID: Vimianzo pon o foco nos bares. 12-01-2021: COVID: A Xunta limita a mobilidade en todos os Concellos e obriga a pechar a hostalería ás 18:00h. 11-01-2021: COVID: As cifras sinalan un aumento do 40% nos novos positivos na última semana . 07-01-2021: COVID: A tendencia volve ser á alza. 04-01-2020: COVID: Vimianzo non se libra e Carnota recupera a mobilidade. 29-12-2020: COVID: 9 concellos, tralo peche de Carnota e Muros, rematan o ano con especiais restricións. 28-12-2020: COVID: Vimianzo, Xallas e Fisterra, as zonas onde se manteñen o virus. 22-12-2020: COVID: O Plan de Nadal inclúe excepcións entre o 23 e o 25. 16-12-2020: COVID: Santa Comba, Mazaricos, Carnota, e Fisterra pasan ao nivel medio-alto de restrición. 15-12-2020: COVID: 9 do 10 positivos do IES de Fisterra son usuarios de autobús. 14-12-2020: SERGAS fai un novo cribado en Camariñas, Mazaricos e Santa Comba 11-12-2020: COVID: Camariñas e Zas entran no peche perimetral de Vimianzo; A Laracha, Cabana e Malpica relaxan restricións. 10-12-2020: Preocupan os gromos no IESP Pedra da Aguia e no IES Fin do Camiño. 10-12-2020: COVID: "Vasos comunicantes" de norte a sur. 06-12-2020: Coa do IES Pedra da Aguia, son 6 as aulas pechadas por covid na comarca. 04-12-2020: COVID: As cifras de Bergantiños iguálanse ás do resto da Costa da Morte. 02-12-2020: COVID: Como afecta a nova "desescalada" e a reapertura progresiva da hostalería na Costa. 01-12-2020: COVID: Así está a situación do coronavirus na Costa da Morte.
NOS_2514
O número de persoas con coronavirus nas residencias é de case mil, entre usuarias e traballadoras.
A cifra de persoas falecidas a causa da COVID-19 ascendeu a 265, entre as rexistradas en residencias de maiores e en centros sanitarios da Galiza. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, esta terza feira, o número de casos de coronavirus na Galiza ascende a 5.435. Deles, 1.117 son da área da Coruña, 563 da de Lugo, 999 da de Ourense, 466 da de Pontevedra, 1.094 da área de Vigo, 884 da de Santiago, e 312 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 162 permanecen en UCI, 910 están en unidades de hospitalización e 4.363 no domicilio. Polo de agora, na Galiza rexistráronse 688 altas de pacientes e 265 falecementosen hospitais e residencias. O número de PCR realizadas é de 32.146. A estes datos hai que engadir os de Política Social, que cifra en case un milleiro (935) as persoas contaxiadas de COVID-19 nas residencias galegas: 689 son usuarios e usuarias, mentres que 246 corresponden ao persoal dos centros. No Estado español hai 140.510 persoas contaxiadas e rexistráronse desde o inicio da pandemia 13.798 falecementos. As pacientes dadas de alta superan as 43.000.
NOS_49899
Na segunda metade do século XIX millares de soldados galegos participaron como soldados do exército español nas guerras do norte de África.
A primeira das guerras de África, entre 1859 e 1860, foi unha febril afirmación de patriotismo xustificada en que os "mouros" atacaban a honra de España. A Igrexa Católica, sempre atenta a divulgar a súa única verdade, mesmo alentou os soldados a "non voltar sen deixar destruído o islamismo, arrasadas as mesquitas e cravada a cruz en todos os alcázares" Foi unha cruzada con millares de mortos que finalizou na batalla de Wad-Ras. Este episodio bélico tivo lugar o 23 de marzo de 1860. Cos canóns capturados ao exército marroquino, unha vez fundidos, o escultor de cámara da raíña e autor do frontispicio do Congreso Ponciano Ponzano fixo os leóns que hoxe adornan a entrada do Congreso de Madrid, un deles castrado. A guerra durou catro meses e un dos que sobreviviron foi Francisco Lozano Varela. En 1914 Otero Pimentel organiza en Cádiz unha comida na súa honra á que asistiron 150 comensais. Mesmo houbo caldo galego. O Álbum da emigración sitúa Otero Pimentel, nado en Vila de Cruces en 1834 e morto en Cádiz en 1920, como "socio fundador do Casino Español, do Centro Gallego e da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia. En 1894 deu ao prelo o libro Reflejos de la vida militar. Desempeñou, entre outros, o cargo de gobernador de Manzanillo (daquela na provincia de Oriente, hoxe na provincia de Granma). Tivo tamén unha importante actividade literaria baixo o pseudónimo de "Xan de Outeiro". A súa obra máis destacada foi A campaña de Caprecórneca, novela publicada por entregas no semanario Follas Novas en 1897. Vida Gallega recolle a homenaxe e di que, para alén dos méritos militares, Francisco Lozano é lembrado máis por tocar a gaita no campo de batalla do que por disparar tiros. Tocaba a gaita e, ás veces, entre os rigores da loita, exalta o ánimo dos galegos "enviándoos contra o inimigo entre os acentos do instrumento rexional". Foi un acto para "festexar o home que derramou notas de música galega sobre o chan de África". [A imaxe que ilustra o artigo na portada representa a batalla de Wad-Ras]
NOS_8669
A UE impuña como condición no contrato comercial que o deposto Ianukovich se negou a firmar que Yulia Timoshenko, encarcerada por corrupción e enriquecimento ilegal, ficase libre. A oposición deixouna ceiba o sábado.
Após aprobar a destitución do presidente, Vitor Ianukovich, alegando desleixo nas súas funcións, o Parlamento da Ucraína colocou no seu lugar Olexandr Turchínov, a man dereita de Yulia Timoshenko, que foi primeira ministra do país. Entre as condicións impostas pola Unión Europea no acordo comercial que Ianukovich non quixo asinar estaba a liberación de Timoshenko, encarcerada por corrupción e por enriquecimento ilegal durante a súa etapa de goberno. Ceiba desde este sábado, foi proposta para ocupar a presidencia do país máis unha vez, se ben, segundo informan as axencias de noticias internacionais, refusou voltar ao cargo e apostou en que a Ucraína pase axiña a facer parte da UE, movemento que, segundo ela entende, "mudará todo". Namentres, Ianukovich fica en paradoiro descoñecido após negarse a demitir e denunciar un "golpe de estado" na súa contra.
NOS_23590
Unha autoestrada de balde e xestionada pola Xunta de Galiza. Este foi o leitmotiv que levou o BNG a pagar en céntimos o custo das viaxes nas principais peaxes da AP9. Nun dos actos participou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen tendeu a man para acadar "un pacto de país" na materia.
Numerosa militancia e persoas simpatizantes do BNG sumáronse na mañá do sábado ao acto simbólico de reivindicación organizado pola formación nacionalista para reclamar unha AP9 galega e libre de peaxes. Desta maneira, foron centos os coches que atravesaron as principais peaxes do país para pagar en céntimos o custo da viaxe. Un deses coches era o conducido pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen ofreceu "un pacto de país que poña fin ao trato desigual cos galegos e galegas". A portavoz nacional do BNG dirixiuse a Feijóo para lle pedir que defenda o acordo unánime do Parlamento Desta maneira, a tamén portavoz parlamentar do Bloque chamou a acabar co "abuso" dunha peaxes que "son unha estafa legalizada". Aliás, a nacionalista dirixiuse a Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, para lle pedir que defenda o acordo unánime do Parlamento "ante o intento de división e ruptura desa unidade que quere provocar o PP co seu veto". "Que vai facer o Sr. Feijóo ante o intento de Rajoy de vetar o debate da lei aprobada por unanimidade reclamando a transferencia?", preguntou Ana Pontón. A portavoz nacional do BNG expúxolle a Feijóo que os cartos para o resgate da AP9 poden saír "exactamente do mesmo lugar de onde van o PP e o Goberno central sacar os cartos para resgatar as autoestradas madrileñas propiedade da banca e das construtoras". Pontón referiuse ás peaxes como "unha navallada aos galegos e galegas que cada día pasan pola autoestrada, onde deixan 300.000 euros nas arcas de Audasa" Presión política e social Na mesma liña, Ana Pontón advertiu da necesidade de acadar "presión política e social" en aras de conseguir a transferencia da competencia e a gratuidade da AP9. Referiuse ás peaxes como "unha navallada aos galegos e galegas que cada día pasan pola autoestrada, onde deixan 300.000 euros nas arcas de Audasa". Lembrou que a concesionaria obtén un beneficio superior aos 90.000 euros diarios. Neste contexto, a portavoz nacional do BNG apostou en manter a unidade política e en promover a mobilización social ante unha demanda que comparte a inmensa maioría da poboación. Sinalou que o Bloque continuará coa campaña social e institucional por unha AP9 galega e libre de peaxes.
PRAZA_16368
VÍDEO | A portavoz do BNG iniciou o pasado venres os faladoiros cos catro grupos parlamentarios sobre a ordenación dos montes organizados polo Instituto de Estudos Miñoráns coa colaboración de Praza Pública Presente e futuros do territorio, a análise no IEM coa colaboración de Praza
Presente e futuros do territorio, a análise no Instituto de Estudos Miñoráns coa colaboración de Praza Pública Ana Pontón, portavoz do BNG, iniciou o pasado venres os faladoiros cos catro grupos parlamentarios sobre a nova lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais e a ordenación dos montes en xeral que está a organizar o Instituto de Estudos Miñoráns. Praza Pública colabora moderando as intervencións dos asistentes e formulando preguntas aos participantes, cuxas respostas sintetizamos na semana seguinte a cada faladoiro en pezas informativas acompañadas de extractos audiovisuais. "En vez de facer que a Administración funcione máis rápido e sexa garantista, elimínanse os seus controis" O BNG chama "lei de depredación de Galicia" á Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais e critica que elimina controis ás industrias que queren instalarse nos montes. Pero coa anterior lei que supostamente era máis esixente xa se podían desenvolver moitas das actuacións que se viron rodeadas de polémicas nos últimos anos. O problema é da lei ou da súa aplicación? Todas as leis son interpretables, pero cando existe unha lei máis garantista desde o punto de vista da participación social, dos controis ambientais, ou da consideración que a propia administración teña do beneficio industrial, non é o mesmo. Cando reduces a participación e primas o interese das empresas introduces un mecanismo legal que facilita actuacións que non van ter freo. Con esta lei estou convencida de que un proxecto como a mina de Corcoesto iría adiante. Ou a mina que queren facer en Touro, onde un dos medos é que agora lle digan que non pero máis adiante reabran o proceso ao amparo desta nova lexislación. Quen fai a lei fai a trampa pero non é o mesmo. Está pensada a medida das grandes empresas. A lei di que non se poderán instalar novos parques eólicos en espazos protexidos pola Rede Natura, pero contempla que si se poidan modificar os xa existentes se é para reducir nun mínimo dun 50% os aeroxeneradores. Iso non é positivo? Pode parecer en abstracto se non sabes cal era o texto que tiñamos antes. Antes esa redución non tiña un mínimo. O que se quería era favorecer que se reduciran espazos ocupados en Rede Natura. "A Xunta consolida o modelo de Sogama e evita que poidamos ilo desmontando con plantas comarcais de compostaxe" A lei tamén prevé que a Xunta constrúa en Sogama unha planta de compostaxe, sistema de tratamento do lixo orgánico ao que renunciara ata o de agora o Goberno galego e que só se aplicaba nas plantas de xestión municipal de Nostián e Lousame que dan servizo só ás areas da Coruña e Noia. Esa nova planta só atenderá aos concellos máis próximos a Cerceda, onde está Sogama, pero non é un paso positivo? Todo ten truco. A trampa disto é consolidar Sogama como unha gran incineradora e impedir modelos alternativos a Sogama con plantas comarcais. Temos un modelo que consiste en pasear todo o lixo polo país para que se queime e se xere electricidade. O normal sería avanzar en pequenas plantas de compostaxe, un modelo máis ecolóxico e cun custo axustado. Isto consolida de novo Sogama e evita que poidamos ila desmontando pola base. A lei facilita a corta de eucalipto, piñeiro e acacia, presentando só unha declaración responsable previa e sen ter que pedir permiso, que si se mantén para as frondosas autóctonas. Esta medida que algúns consideran positiva para loitar contra a eucaliptización é vista por outros como un perigo para os xacementos arqueolóxicos dos montes, que poden verse afectados por cortas sen control. Que opina? Esta lei é moi perigosa porque temos unha administración que funciona moi mal ou que nunca estivo dotada para funcionar de xeito áxil. Non é normal que un informe de Patrimonio tarde tres anos. A perversión é que, en vez de que a Administración sexa máis eficiente, dille á xente que tire para adiante. Pódese destruír moito patrimonio, estanse a facer cortas de eucaliptos que están destruíndo mámoas e castros, e todo isto vaise facer sen ningún control. Pero tamén conculca o dereito de información, sen control público das actividades. Dá carta branca a que un poida facer o que considere, e iso deixa problemas de futuro importantes. En vez de ir ao problema de como poño máis recursos para que a Administración funcione máis rápido e sexa máis garantista, o que estás facendo é eliminar todo ese tipo de controis e permitindo unha serie de prácticas que inciden nalgúns dos vicios que colectivamente tiña este país. "O novo Plan Forestal non pode facer táboa rasa e seguir aumentando os eucaliptos" É necesario elaborar un novo Plan Forestal cando o actual pensado para o período 1992-2032 non vencería ata dentro de 15 anos? O plan que está vixente debateuse no Parlamento no seu momento e tivo a unanimidade de todos os grupos, pero pásalle o que a moitos plans, que só está no papel. Hoxe temos case o dobre da superficie de eucalipto que estaba prevista para 2032. Prevía gastar máis en prevención que en extinción e é ao revés e cunha diferenza abismal. Faría falta un novo plan forestal porque este está superado xa pola propia realidade, temos disparado o número de eucaliptos. Pero ese novo plan non pode ser táboa rasa e seguir incrementando monocultivo de eucalipto. Nós temos propostas como que a xestión do monte non pode ser só forestal. Hai unha riqueza inmensa no noso monte que agora mesmo se desaproveita. E non pode ser só unha concepción económica, hai uns usos sociais e ecolóxicos. "No curto prazo non debemos introducir cambios na loita contra os incendios para garantir a seguridade" O Consello de Contas criticou que o Plan Forestal prevía dedicar moitos máis recursos á ordenación forestal que á extinción, pero está pasando xusto ao revés. Como se pode reverter esa situación ou de onde sacamos máis recursos para dedicar á ordenación forestal? Está claro que ese Plan Forestal nunca se quixo aplicar. É evidente que no curto prazo temos que ter un dispositivo de loita contra os incendios que nos permita afrontar o problema, é importante que funcione e mellore. No curto prazo non debemos introducir cambios para garantir a seguridade. É importante que cambiemos o que se fai na prevención e no modelo forestal, e para cambiar o modelo necesitar recursos sobre a mesa. Ten que haber un apoio á produción de especies de calidade e cun rendemento maior. Hai que empezar a estudar unha fiscalidade verde, porque non pode ser que a produción de Ence ou Finsa nos custe cen millóns de euros en extinción e non obter un retorno. Cando o Consello de Contas criticou que non se cumprisen as previsións do Plan Forestal actual porque se está a gastar moito máis en loita contra o lume que en ordenación forestal, o director xeral de Política Forestal da Xunta, Tomás Fernández-Couto, no cargo desde 1996 a excepción do período do bipartito, respondeulle que se gasta tanto en loitar contra o lume é porque senón os propietarios non investirían no monte por medo a perder a súa produción. Que lle parece? Rir é o máis intelixente. É significativo que haxa unha persoa como Fernández-Couto na Xunta que teña tanto poder e que non o poidan cesar. Que sabe ese señor? É un clamor en todo o sector forestal, incluída unha parte da industria, que é unha rémora para cambiar o modelo forestal. "Os dispositivos de extinción responden a un interese caciquil e un sector do PSOE segue querendo ese modelo do PP" Sobre o dispositivo de loita contra o lume os sindicatos veñen criticando a temporalidade e inestabilidade dos contratos. É sostible manter todo o ano un dispositivo que na temporada alta do verán supera as 5.000 persoas? O dispositivo non pode ser só de extinción senón que faga tamén prevención. Iso axudaría a ter o monte en mellores condicións e a dar estabilidade aos traballadores. Estamos nun modelo no que está a Xunta, os concellos, os dispositivos de emerxencia... Está moi fragmentado, cunha parte que responde a un interese caciquil, porque as brigadas municipais non teñen ningún sentido, non se permite a súa profesionalización, algunhas estanse contratando en agosto para facer traballos de prevención. Algúns alcaldes do PP recoñecen en privado que esas brigadas non serven. O caciquismo e o enchufismo é un lastre que ten o país. Cando neste país se intentou facer un dispositivo único houbo un grande ruído neste país porque estabas atacando eses instrumentos caciquís. Un sector do PSOE segue querendo o mesmo modelo de extinción do PP, porque no debate no parlamento queren manter as brigadas municipais.
NOS_12368
O encontro decorreu por espazo de menos dunha hora. O candidato do PSdeG-PSOE á Xunta "amarrou" a participación de Pedro Sánchez na campaña.
Leiceaga transmitiu aos meios que no encontro non se entrou a abordar o asunto das candidaturas do PSdeG-PSOE ao Parlamento da Galiza, marcado pola rebelión dos parlamentares aliñados co sector crítico que lidera Abel Caballero. O candidato do PSdeG-PSOE demandou que non se interfira no "curso normal" do proceso de elaboración das listas. "É o momento dos militantes", enfatizou. Explicou que nestes días, e até o 28 de xullo, estanse a realizar as asembleas locais das que emanarán as propostas para conformar as candidaturas. Estas serán avaliadas nos comités provinciais os días 29 e 30. A xestora, que lidera Pilar Cancela, elaborará un informe coas conclusións dos debates e a decisión definitiva terá de ser referendada por Ferraz. Os comités provinciais do PSdeG avaliarán as propostas de listas os días 29 e 30 O sector crítico afirma que as candidaturas teñen de ser previamente vistas e validadas polo Comité Nacional Galego, mentres que o aparato afirma que este órgao non ten nestes momentos competencias após a demisión de Besteiro como secretario xeral. A reunión con Sánchez xirou, de acordo coa versión oferecida por Leiceaga, arredor da "axenda galega" que a representación parlamentar do PSdeG quer trasladar ao Congreso dos Deputados, e da disposición do secretario xeral estatal a participar na inminente campaña galega. Sánchez comprometeu a súa participación.
NOS_14006
'Apocacrise Zombi' será a orixinal forma de manifestarse d@s "indignad@s" cunha marcha polo centro da cidade.
O colectivo Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos convoca en Ferrol o evento 'Apocacrise Zombie' para mostrar a súa "indignación e loitar por recuperar a dignidade secuestrada" cun acto no que tamén querer "sacar da morte" á cidade, que pasa por unha profunda e longa crise. A marcha, que parodiará as de zombis a base de disfraces, terá lugar o sábado, e partirá ás 12.00 horas desde o casco histórico de Ferrol para finalizar na Praza de Armas, onde un d@s integrantes do colectivo "poñerá voz aos mortos vivintes" coa lectura dun "manifesto de indignación". A asociación explicou que "tomarán a rúa para facer ver que lles quedan forzas para loitar por recuperar a dignidade secuestrada". Tamén invitaron "a toda a cidadanía" para que asista ao evento e se disfrace de zombi. "Recoméndase traer moito sangue, suciedade, humor e indignación", di o colectivo.
PRAZA_20555
ANÁLISE Romay e Cavaco incrementan neste 2017 a clara preponderancia de cargos políticos ideoloxicamente afíns ou membros do PP que recibiron a máxima distinción da Xunta por motivo dos seus cargos institucionais Feijóo condecora o seu pai político
Feijóo condecora o seu pai político As Medallas de Galicia son a "máxima distinción de honra" que concede o Goberno galego. Con ela a Xunta condecora persoas e institucións que, "polos seus méritos ao servizo de Galicia en calquera aspecto da súa realidade social, cultural ou económica" considera como "dignas de obter o recoñecemento do pobo galego". Cando, o vindeiro día 24, o presidente do Executivo entregue as deste 2017 serán xa 74 as persoas e entidades distinguidas coa Medalla na súa categoría de ouro -o goberno de Manuel Fraga tamén as concedía de prata e bronce, chegando a asignar máis de 400-. Nesta relación inclúense 27 representantes políticos -26 homes e unha muller- galardoados por razón dos seus cargos institucionais e entre eles preponderan amplamente a militancia de dereitas. Non en van, apenas 6 dos 27 exerceron o labor político dende posicións de esquerda. A dereita ou o centro-dereita ten no reparto das Medallas de Ouro un peso próximo ao 80%. Deixando á marxe figuras históricas que tamén tiveron cargos políticos pero a quen a condecoración lles foi concedida por motivos diferentes ou máis amplos -caso da primeira Medalla, para Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en 1984- e tamén a que lle é outorgada este ano a Miguel Ángel Blanco -o que fora edil popular en Ermua (Biskaia) é homenaxeado polo vixésimo aniversario do seu asasinato por parte de ETA-, é clara a preponderancia de cargos ideoloxicamente afíns ou directamente militantes do partido que gobernou Galicia durante 31 dos 36 anos de autonomía, primeiro baixo as siglas de Alianza Popular e despois, coas actuais do PP. O goberno tripartito da Xunta non entregou as medallas e o bipartito de PSdeG e BNG, nas tres que concedeu, distinguiu á Real Academia Galega, a Isaac Díaz Pardo e á Editorial Galaxia. Durante os seus mandatos Fraga condecorou a varios mandatarios sudamericanos de signo conservador e tamén a dous ministros de Aznar A maior parte dos cargos políticos que recibiron a Medalla fixérono durante os mandatos de Manuel Fraga na década dos 90 e moitos deles eran mandatarios sudamericanos do espectro conservador. Así, por exemplo, en 1994 Fraga condecorou os daquela presidentes arxentino e uruguaio, Carlos Menem e Luis Alberto Lacalle e en 1995 fixo o propio co paraguaio Juan Carlos Wasmosy. Durante esa década tamén recibiron a Medalla de Ouro outros presidentes como o uruguaio Julio Sanguinetti (1997), o guatemalteco Álvaro Arzú (1998), o brasileiro Fernando Henrique Cardoso (1998) e o costarricense Miguel Ángel Rodríguez Echeverría (1999). A nómina de galardoados engrosárona, igualmente, dous gobernadores de estados do Brasil situados no ámbito da dereita (Mário Covas, de São Paulo, e Esperidião Amin, de Santa Catarina, ambos en 1999). Na década seguinte o goberno Fraga mantivo a tendencia con Gustavo Noboa, presidente do Ecuador, pero tamén inaugurou a listaxe de políticos do PP en activo a quen a Xunta decidia concederlles o seu máximo galardón. No ano 2003, en plena crise política posterior ao naufragio do Prestige, o Goberno galego pendurou a condecoración do peito de Francisco Álvarez-Cascos, ministro de Fomento de Aznar, e nesa mesma cerimonia chegou a primeira Medalla de Ouro para unha muller, Loyola de Palacio, que tamén fora ministra e nese momento ocupaba unha carteira na Comisión Europea. Ao ano seguinte Fraga condecorou a Rodolfo Martín Villa, quen tras ocupar diversos cargos no franquismo foi ministro con Adolfo Suárez e a quen Aznar implicara tamén na xestión do Prestige. O uruguaio Tabaré Vázquez, os portugueses Soares e Sampaio, os ex-presidentes Touriño e Laxe e mais Ceferino Díaz representan excepcións na nómina de persoas galardoadas Un capítulo aparte nas medallas desa época é a entregada ao arxentino Fernando de la Rúa, cuxo partido chegou a ser integrado na Internacional Socialista pero veu apoiando posicións de dereita -nas últimas eleccións aliouse co actual presidente dereitista, Mauricio Macri- e que foi premiado pola Xunta no ano 2000, un ano antes de abandonar o cargo no medio dunha fonda crise institucional e fronte a protestas sociais que reprimiu con dureza. Fronte á esmagadora maioría de políticos de dereitas no reparto das Medallas de Ouro, a presenza de quen exerceron cargos públicos dende o ámbito progresista é case anecdótica. O primeiro foi Mário Soares, primeiro ministro socialista de Portugal distinguido en 1993, cando era presidente da república. O segundo tamén chegou do país veciño e foi o igualmente socialista portugués Jorge Sampaio, que sucedeu a Soares na Presidencia. As medallas non tenderon cara á esquerda ata 2005, cando na súa derradeira entrega Fraga lla concedeu a Tabaré Vázquez, presidente do Uruguai polo Frente Amplio. A relación péchase con Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño, galardoados en 2009 xunto ao resto de presidentes da Xunta, e mais con Ceferino Díaz, condecorado en 2013 a título póstumo. Romay e Cavaco súmanse á lista neste 2017 Neste cómputo xeral inclúense xa os dous políticos de dereitas que son condecorados polo Goberno galego neste 2017. Un é Aníbal Cavaco Silva, antigo primeiro ministro de Portugal e presidente da República polo conservador PSD ata 2016, nun remate de mandato marcado pola súa aberta oposición á posta en marcha do Goberno do socialista António Costa apoiado polo Bloco de Esquerda e o Partido Comunista. O outro é José Manuel Romay Beccaría, actual presidente do Consello de Estado tras ocupar multitude de cargos institucionais e orgánicos no PP dende os que actuou como figura clave na carreira partidaria de Alberto Núñez Feijóo. Recibirán a Medalla nun evento na Cidade da Cultura cuxa montaxe a Xunta vén de contratar a unha empresa de eventos por un importe un chisco inferior aos 21.000 euros.
NOS_25114
Lucenses e guipuzcoanos empataron a ceros nun encontro que supuxo o regreso de Rennela (ovacionado polo Anxo Carro) após unha longa lesión.
Lugo e Eibar empataron a ceros no Anxo Carro nun encontro no que dúas grandes paradas de Dani Mallo evitaron que a cousa fose a peor. O CD Lugo ten 26 puntos e está (á espera de que finalice esta xornada) só 2 puntos por riba de caer no foxo onde están os equipos que combaten por non non baixar. A boa nova foi o retorno de Rennela, o dianteiro que volveu ao terreo de xogo tras unha longa lesión e que foi ovacionado pola afección. O encontro non estivo exento de xogadas polémicas, como unha man non pitada dentro do área no minuto 67 dun defensor do Eibar e pola que os lucenses reclamaban penalti. O CD Lugo viaxará a vindeira semana a Miranda para tentar ante o Mirandés (18º na clasificación) recuperar o espíritu do inicio de temporada.
NOS_47396
O número de empresas que se acollen ao concurso aumentan en todos os sectores. Segundo os datos tirados polo Consello Económico e Social en 2010, o 8% das empresas que fechaban no Estado español eran galegas.
Os concursos de acredores aumentaron na Galiza por riba do 42% entre xaneiro e novembro, segundo os datos tirados polo informe de D&G, un incremento que se deu entre empresas de todos os sectores. Galiza mesmo supera a territorios como Catalunya ou Madrid en canto ao aumento porcentual de empresas nesta situación. Ao longo dos últimos once meses, en Galiza foron perto de medio milleiro os procesos de concursos de acredores que se produciron. Xa en outubro, outro estudo desenvolvido pola mesma consultora D&G advertía que no que ía de ano os concursos de acredores que se presentaran en Galiza foron 385, o que supuña un incremento do 49% en relación ao mesmo período de 2011, o que supón 20 puntos máis que a media do Estado español, onde o aumento fora do 28%. Destrución de empresas e empregos Entre 2008 e 2010 Galiza perdeu 4.500 empresas, na súa gran maioría pemes, segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE). Nese mesmo período, a destrución de emprego no noso país xerou que houbese perto de 70.000 novas persoas desempregadas. O Consello Económico e Social (CES) alertaba xa en 2010 que pola volta do 8% das empresas disoltas no conxunto do estado eran galegas.
NOS_19922
O Castro da Cidá/Cidade é un recinto fortificado recentemente incorporado ao corpus de castros galegos, converténdose nun dos enclaves de referencia da arqueoloxía do Barbanza. Ademais da pegada cultural, incorpora valores paisaxísticos de primeira magnitude, pois en realidade tamén é un fantástico miradoiro natural que cativa pola magnitude e beleza da paisaxe. Localizado na parroquia de San Paio de Carreira, en Santa Uxía de Ribeira (O Barbanza), érguese nun grande outeiro a 209 metros de altura que realza a súa presenza na paisaxe. A pesar de estar a menos de 2 km da costa, dominando visualmente as entradas das rías de Arousa e Muros-Noia, non pode tipificarse como un castro costeiro ou marítimo.
Breve historia das intervencións arqueolóxicas importantes Pode dicirse que A Cidá é un castro do século XXI. Un acabado de chegar ao universo castrexo se o comparamos cos castros "clásicos", ben coñecidos na Galiza, e cuxo estudo se remonta á primeira metade século XX. As noticias máis antigas foron recollidas por Frei Martiño Sarmiento na súa obra Viaxe a Galicia, a mediados do século XVIII, onde apunta a toponimia do lugar como "O Monte da Cidá". Cen anos despois, Pascual Madoz identifica o sitio como un lugar arqueolóxico: "el monte denominado de la Ciudad, y sobre cuya cumbre está un llano donde se reconocen vestigios de una gran fortaleza". Será na década dos 20 do pasado século cando Florentino Cuevillas e Fermín Bouza Brey fagan unha visita ao castro, o dimensionen, realicen debuxos, recompilen folclore e tomen documentación fotográfica. Desde entón o lugar pasa ao esquecemento e o que sabemos a día de hoxe vén dos primeiros estudos modernos con criterios científicos realizados nos anos 2014 e 2015, baixo iniciativa do Concello de Ribeira e cofinanciación europea; curiosamente á marxe da feble política arqueolóxica autonómica. Estes traballos continúan de forma intermitente e baixo uns parámetros máis enfocados á restauración e consolidación dos restos que á investigación do mesmo. Características das estruturas defensivas Neste momento da historia, a arquitectura é unha ferramenta de importancia. O castro é un poboado estábel que se fixa no territorio que ademais de ser un lugar para a vida, convértese nun monumento que amosa unha escenografía do prestixio, polo tanto un símbolo material en si mesmo. De acordo ao modelo que se vén admitindo como válido para as épocas iniciais do mundo dos castros, as edificacións teñen un punto común: a súa adaptación ao medio físico nun contorno xeolóxico inzado de grandes pedras. O que a priori podería parecer un problema, na Cidá tórnase nun aliado pois estas pedras son incorporadas maxistralmente ao propio deseño construtivo das murallas e das propias casas, servindo tamén de canteira para o aprovisionamento da materia prima. No interior da croa foron investigadas 18 cabanas, presentan diferentes formas con predominio da tendencia circular e oval A Cidá, un poboado con forma ovalada, presenta tres liñas de defensa: unha primeira na parte máis alta da croa. Unha segunda a cotas inferiores, delimitando un recinto de maior tamaño rodeando practicamente o castro, e unha terceira focalizada no sector noroeste do mesmo. No sector norte, con pendentes case verticais, non foi necesario o reforzo artificial extra do recinto, pois as condicións naturais de defensa son óptimas. Coa excepción da muralla da croa, aínda non coñecemos a detalle as outras dúas liñas. Sabemos que unha emerxe exclusivamente no sector noroeste do castro, algo lóxico ao tratarse dunha zona de escasa pendente e, por tanto, moi exposta, que é necesario reforzar. A segunda liña, de grande altura, monumental, circunda o castro combinándose cos afloramentos rochosos existentes, que son integrados unha vez máis ao propio deseño arquitectónico. É moi probábel, aínda que este extremo non puido ser comprobado, a existencia dun foxo entre as liñas de muralla anteriores. Pero a que mellor coñecemos é a muralla da croa do castro. Abrangue boa parte do espazo máis alto do outeiro, xerando un recinto de máis de 2.000 m2 de superficie apta para habitación. Recentemente restaurada e acondicionada, constrúese sobre a base de dous muros paralelos, un interior e outro exterior, cun recheo. A imaxe que ofrece é impoñente. Estruturas interiores No interior da croa foron investigadas 18 cabanas. Levantadas con muros de cachotaría de granito extraído do propio lugar, presentan diferentes formas con predominio da tendencia circular e oval de tamaño pequeno ou medio, con excepcións. En todas se documenta o acceso orixinal e os habitáculos non comparten paredes medianeiras, pois cada cabana desenvolve os seus propios muros. Ao igual que sucede coas liñas de defensa, os afloramentos rochosos do espazo condicionan a implantación das propias cabanas, a articulación dos accesos e mesmo a circulación interior pola aldea. Nesta organización chama a atención a disposición das cabanas seguindo a delineación da muralla, pegándose a ela e xerando unha trama onde convive a dualidade dos espazos privados (cabanas) con outros máis "públicos" ou abertos. Non foron detectadas no castro, até o momento, reformas arquitectónicas de calado nin superposicións de estruturas que permitan falar dunha reformulación do espazo, máis ao contrario. A Cidá permanece envolta nun rico universo mítico e sagrado Non obstante, alén do espazo maioritario que ocupan as cabanas da Idade do Ferro, a visita á Cidá abre unha fiestra histórica máis recente no tempo, pero non menos interesante. Enriba de dúas casas castrexas ergueuse o que se coñece como caseta-vixía. Trátase dun recinto rectangular construído tamén en pedra. Estas construcións levantadas en diferentes épocas históricas ocupando estratexicamente as zonas altas da costa galega, obedecen a intereses de control marítimo en períodos de confrontación bélica. No caso da Cidá construíuse a finais do século XVIII para o control do tráfico de embarcacións inimigas nun contexto de guerra con Inglaterra. Achados O espolio material non foi xeneroso. Destaca, como é habitual nestes casos, os restos de recipientes de barro de diferentes formas e tamaños usados para almacenar, cociñar, transportar e consumir alimentos. Pero tamén se recuperaron obxectos en pedra como é o caso de pequenas pesas, e varios recortes cerámicos circulares con perforación central que se veñen atribuíndo a actividades de tipo artesanal relacionados co fiado. Destacan dous elementos metálicos de ferro: dúas follas de coitelo de pequeno tamaño e forma afalcatada con paralelos que se poden atopar noutros lugares do noroeste e do norte portugués. O seu uso parece afastarse da esfera bélica para achegarse a algo máis prosaico dentro das actividades artesanais ou cotiás. A subliñar a aparición de pequenos restos de escouras, que permite vinculalas con actividades metalúrxicas realizadas no poboado, concretamente co afino de cobre e de bronce. Outros achados excepcionais son algunhas doas de pasta vítrea azul que formarían parte da decoración dun colar ou pulseira, elementos que aparecen habitualmente en moitos castros sobre todo nas Rías Baixas e que están a amosar un especial gusto estético por este tipo de abelorios. Folclore Desde o seu propio nome (Cidá ou Cidade), até a propia microtoponimia, con referencias tan elocuentes como As Cortiñas ou Eiteiro dos Curros, a tradición popular identifica o lugar como un espazo habitado desde antigo. A Cidá permanece envolta nun rico universo mítico e sagrado; ese regalo da natureza conformado polo espazo dunar de Olveira e as lagoas do Carregal e Vixán que se dispoñen mesmo ao pé do Castro. Ademais da figura dos coñecidos "mouros", destaca na enseada de Corrubedo a lenda da cidade asolagada de Valverde. Tamén abundan as lendas que tratan de explicar, baixo outras chaves, ese pasado. Aparecen episodios e personaxes carolinxias: Carlomagno, os Doce Pares de Francia, Roldán, Oliveros etc., e non faltan tampouco, na propia cima do Castro, as referencias á pegada do cabalo do apóstolo Santiago. Memoria ancestral que a transmisión oral foi quen de manter até os nosos días. A funcionalidade do Castro, aínda por determinar A comprensión da Cidá está lonxe de fecharse e presenta moitos interrogantes que haberá que ir resolvendo. Sabemos, que comeza a funcionar nun momento temperá, coetáneo dos castros veciños de Neixón Pequeno e Achadizo. Non obstante, parece estar pouco tempo en funcionamento colapsando cando emerxen outros da contorna. A Cidá non chegará a funcionar na fase de romanización, incluso nas primeiras incursións de Roma no noroeste. Segue a ser descoñecida a súa funcionalidade. Os datos refírenos ao ámbito artesanal. A ausencia de fogares nos interiores das cabanas non permite interpretar o lugar como unha zona de actividade doméstica entendida como lugar de cociña, de consumo de alimentos, ou descanso. O alimento podería prepararse nun espazo próximo, así o parece indicar os restos de fulixe, afumado ou directamente restos orgánicos pegados a moitos anacos de cerámica. A Cidá non chegará a funcionar na fase de romanización, incluso nas primeiras incursións de Roma no noroeste A economía de subsistencia destes poboados teñen unha clara base agrícola e gandeira e nos castros próximos ao mar tamén os recursos mariños. Tendo en conta a proximidade da liña de costa sorprende a ausencia de restos destes recursos na Cidá. Polo investigado, na contorna existía un importante bosque onde dominaba o carballo pero tamén o érbedo e a sobreira, e mesmo especies que producían froitos comestíbeis. No interior do recinto tamén se constata a presenza de tres tipos de sementes que nos axudan a coñecer as bases alimenticias dos seus habitantes, neste caso o millo miúdo, o trigo e a cebada. Pero contrariamente ao que cabería esperar para a ría de Arousa, un área preferente de dinamismo cultural onde se documentan os primeiros fluxos de mercadorías dos navegantes meridionais, a Cidá semella manterse á marxe dese circuíto.
NOS_9553
De 2018 a 2019, a porcentaxe de de risco de pobreza diminuíra un punto até se situar en 16,2% da poboación. Porén, a chegada da pandemia da Covid-19 provocou unha notábel repunta: en 2020, 18,4% dos 10,3 millóns de habitantes de Portugal estaban nesta situación crítica.
Son especialmente as mulleres e as persoas maiores as máis afectadas, así como as familias en xeral, segundo un estudo da Universidade Nova de Lisboa, que sitúa en case dous millóns as persoas cunha "privación severa de necesidades humanas básicas", segundo a definición que a ONU fai da pobreza. Nomeadamente, foi un aumento de 2,6%, entre os anciáns; e de 2,5% entre a poboación feminina. Nos núcleos familiares medrou 2,7%, un dato dramático nos monoparentais: dun ano para outro subiu 4,7% até 30,2%. É dicir, unha de cada tres casas con crianzas e un só proxenitor estiveron en risco de pobreza durante o primeiro ano da pandemia. Son datos provisorios do Instituto Nacional de Estatística recollidos no informe Portugal, Balanço Social 2021 – Um retrato do país e de um ano de pandemia da facultade Nova School of Business & Economics da institución académica lisboeta, que detalla que a taxa de risco de pobreza chegou a 46,5% das persoas desempregadas. Isto é, 5,8% máis que en 2019. Isto a respecto das variacións causadas pola Covid-19, porque outro dato analizado é o da pobreza persistente: a porcentaxe da poboación que vivía nesta situación crítica no ano analizado, 2020, e tamén nos tres anos anteriores. Segundo o informe, "60% das pessoas pobres em 2020 estavam numa situação de pobreza persistente", e destas "6% nunca saiu da situação de pobreza no período de quatro anos entre 2016 e 2019". É moi relevante, mais non determinante, a situación laboral destas persoas: se ben un de cada tres desempregados é pobre, tamén o é un de cada dez dos que si teñen emprego. "40,6% dos indivíduos pobres vivem em agregados onde se trabalha a tempo inteiro", apunta o informe presentado nas últimas horas. Outro dato, a respecto da desigualdade: no Portugal pre pandemia, 25% dos mais ricos acumulaban 42% do capital do país, cifra que aumentou até case 46%. A voltas coa absoluta nas eleccións "Para servir bem Portugal e servir bem os portugueses, não precisamos de uma vitória qualquer, precisamos de uma vitória com uma maioria absoluta". António Costa reafirmaba, con todas as letras, a meta do PS para os comicios do 30 de xaneiro. Fíxoo durante un acto de campaña na Madeira, onde se referiu ao problema da pobreza, que enmarcou nas "feridas económicas e sociais" provocadas pola pandemia. Afirmou que malia as medidas do Goberno, "recolocou" moitas persoas nesta situación. "O que temos que fazer é voltar a fazer aquilo que já fizemos e ir mais além", sostivo. Mais para as formacións á súa esquerda, como o PCP, trátase dun problema estrutural que require de medidas firmes a respecto da suba dos salarios, do reforzo da escola pública e da baixada de impostos en sectores específicos como o da enerxía. Medidas que, especialmente pola intensidade e as contías, impediron o acordo da ex geringonça para aprobar o Orçamento do Estado 2021. Para o BE ese acordo, por máis que insista Costa, terá que darse tras o 30 de xaneiro, a non ser que ─dixo a súa líder, Catarina Martins, en entrevista en Antena 1─ que o procure coa dereita.
PRAZA_7893
O IGVS ofrécelle dúas alternativas moi afastadas do seu barrio mentres seguen as negociacións para acadar un aluguer social máis achegado. A opción de que manteña o seu fogar está case descartada e as mobilizacións continúan ante o temor a un novo intento de desaloxo.
"Un pequeno triunfo" e "unha batalla gañada". Así definiu o colectivo Stop Desahucios os avances que este martes se acadaron no caso de Aurelia Rey, a anciá de 85 anos da Coruña sobre a que pesa unha orde de desafiuzamento que o pasado luns foi impedido en dúas ocasións tras graves incidentes e grazas á mobilización e á forte presión cidadá que este martes continuaba ante a súa vivenda. No entanto, as vivendas de aluguer social ofrecidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) foron rexeitadas pola muller ao estar ás "aforas da cidade"e porque aspira a continuar na súa vivenda ou, cando menos, na zona da cidade onde vive desde hai máis de 30 anos. O IGVS ofrécelle unha vivenda en aluguer social a Aurelia Rey, que se nega a abandonar a casa onde vive desde hai máis de 30 anos O apoio popular recibido pola muller para deter o seu desaloxo provocou que o Valedor do Pobo accedese a mediar con outras administracións para atopar unha solución para o seu caso, tal e como confirmou Stop Desahucios. A oferta do IGVS consiste na opción de dous pisos na zona de Eirís ou Novo Mesoiro (moi afastados do centro da Coruña), pero Aurelia Rey négase, xa que non quere saír do barrio nin da vivenda que ocupa desde hai máis de tres décadas. Para o avogado da anciá, Antonio Vázquez, afastar a muller da zona actual podería provocar a súa exclusión social ao "afastala do seu lugar habitual de vida". "Ela está afeita a vivir aquí, coñece os veciños e pasea todos os días", xustifican as súas amigas. "Non o acepta porque están nas aforas da cidade", confirmou o voceiro de Stop Desahucios sobre a reacción de Aurelia Rey, bastante alterado logo de facerse á idea de que podería continuar no seu fogar. Agora, asume xa a marcha e incluso medita marchar á súa vila natal. O alcalde da Coruña insiste en que a "mellor opción" para a anciá é unha residencia O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñecía que a Administración autonómica e o Concello buscaban "unha solución inmediata" para que Aurelia Rey teña "un fogar". Malia isto, o alcalde Carlos Negreira insiste en que a residencia sería "a mellor opción" para a muller de 85 anos. Paralelamente, tamén se produciron avances na negociación coa familia propietaria da vivenda, malia que esta négase desde un principio a calquera posibilidade que non sexa o desaloxo de Aurelia. Membros de Stop Desahucios confirmaron que se inciaron conversas "de igual a igual" entre a inquilina e os donos do inmoble para atopar unha solución. "Imos polo bo camiño e estamos máis perto dun acordo", aseguraban activistas presentes nas reunións, que agardan agora o resultado destas xuntanzas, aínda que a última hora da tarde non eran tan optimistas. O letrado de Aurelia Rey reuniuse tamén coa familia propietaria e denunciante para intentar que paralice o proceso e retire a demanda, pero esta posibilidade está case totalmente descartada. As alternativas, xa que logo, pasan por conseguirlle a afectada unha vivenda achegada á súa actual casa, xa que ela segue negándose a ingresar nunha residencia e os donos do inmoble insisten en que abandone o seu fogar. No entanto, e malia os avances, a mobilización continúa na rúa Padre Feijoo da Coruña, onde unhas 200 persoas se mantiveron concentradas desde primeiras horas da mañá e logo de que dez cidadáns durmisen no portal durante a noite e se organizasen en quendas para facer garda ante a vivenda. "Non nos fiamos e aquí seguimos", insisten, ademais de celebrar unha asemblea na que acordarán novas quendas para non deixar soa a vivenda de Aurelia Rey en momento ningún. Malia que o avogado da anciá de 85 anos asegura que a execución do desafiuzamento non se produciría ata a semana que vén, os activistas temen que este mércores volva presentarse a comisión xudicial para levar a cabo o lanzamento. "Non houbo ningunha carga, a Policía puxo a forza dos seus corpos contra outros corpos", di Samuel Juárez Ademais, durante a mañá deste martes, Stop Desahucios leu un comunidado de apoio aos bombeiros da Coruña, no que louvaron "a valentía" dun corpo que o luns se negou a cortar a cadea que impedía o paso ao portal da comisión xudicial. aplaudimos o voso comportamento e "Aplaudimos o voso comportamento e comprometémonos coas súas consecuencias. Non vos sancionarán. Non o permitiremos, e menos despois do esperpéntico espectáculo que vivimos, onde só vos mantivestes o tipo e vos situastes co pobo", di a nota. Pola contra, o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, rexeitou as críticas á actuación policial do pasado luns - na que varios cidadáns e tres cargos políticos acabaron no chan-, xa que segundo el "non houbo ningunha carga", senón que "a Policia puxo a forza dos seus corpos contra outros corpos". O BNG vén de promover unha declaración no Parlamento para condenar a actuación policial no intento de desafiuzamento.
NOS_9175
Ficará liderando o clube até as eleccións. "Semella que se quer un cambio", sinalou en comparecencia de imprensa, "e non imos pór paus no camiño". Coa decisión de Lendoiro fican catro posíbeis candidatos.
"Renunciamos a presentarnos ás eleccións". Así de taxativo foi Augusto César Lendoiro en comparecencia de imprensa esta terza feira. O que foi presidente do clube durante os últimos 25 anos anunciou este mediodía que retira a súa candidatura ás eleccións e que abandonará o Dépor após estas se celebrar. Segundo Lendoiro, o proceso electoral "está fracturando o deportivismo" e "non queremos producir máis división da existente". Neste senso e acompañado dalgúns dos seus conselleiros o de Corcubión retirouse da contenda electoral. Após a retirada de Lendoiro, fican catro candidaturas á presidencia do Dépor, Paco Zas, Conchado, Manuel Cascallar e Tino Fernández. Embora o até o momento presidente asegurou que permanecerá no seu cargo até se desenvolveren as eleccións pois "hai que asinar o convenio" que determinará como afrontará o clube o pagamento dos 160 millóns de débeda que carrexa. Nunha breve comparecencia de imprensa, convocada con poucas horas de adianto, Augusto César Lendoiro agradeceu "aos accionistas" o seu apoio e dixo ter contribuído, neste tempo, "a devolver o clube aos socios".
NOS_46976
Faleceu unha figura fundamental sen a cal sería imposíbel contarmos a historia do nacionalismo -sindical e político- en Lugo ao longo das últimas décadas. Eis a seguir un obituario na memoria de Xosé Anxo Cuba.
Era nervio, acción, esixencia pero tamén comprensión, temperanza e ponderación. Fixo parte dunha xeración que só sabía militar a tempo completo e puxo a súa vida ao servizo dos ideais. Sendo moi novo, eran os días en que estaba nacendo o sindicalismo nacionalista na cidade de Lugo, foi expulsado do seu posto de traballo por liderar un conflito en beneficio dos máis. Sometido a unha dura persecución por parte daquel patrón influínte que vía nel un impedimento para aumentar o lucro, fecháronselle ás portas doutras empresas da cidade que non podían tolerar un obreiro digno. Seguiu firme, non dobrou e continuou adiante no labor de mobilizar traballadores, organizar clase, criar conciencia e facer sindicato nalgúns dos momentos máis complicados do que foi a INTG. Xosé Anxo Cuba explica algúns dos capítulos máis decisivos da xeira contemporánea do nacionalismo na Barbanza. Desprazado canda Pascuala a Ribeira, traballou no sector das artes gráficas, empregándose a fondo na reorganización do nacionalismo na comarca, ferido após os sucesos políticos que seguiron a 1981. Non deu descanso, xunto a Mariano Vidal, Daniel Vispo, Mariña Ferrer ou Pascuala Dorado, dedicouse a construír, a unir os máis, a recuperar os outros, volvéndolle o pulo organizativo e a iniciativa política ao nacente BNG. Secretario de zona da UPG nas Rías, aquela área que se alongaba desde Ribeira até Cee, foi, ao tempo, o secretario comarcal da INTG e posteriormente da CIG, sentando as bases do que hoxe é o vizoso sindicalismo nacionalista na zona, vinculándose para sempre o seu nome ás grandes loitas sindicais libradas na zona na segunda metade dos oitenta e nos primeiros noventa. Xosé Anxo Cuba explica algúns dos capítulos máis decisivos da xeira contemporánea do nacionalismo na Barbanza Foi un dos motores da expansión do nacionalismo naquel Lugo de finais dos noventa. De novo na cidade amurallada, outra vez canda Pascuala e tamén con Alba e Roi, desenvolveuse como ferraxeiro autónomo de feira en feira pero na memoria dos máis ficará como unha das persoas do Bloque na comarca. Concelleiro de mercados na cidade, coincidindo co primeiro goberno bipartito do BNG e do PSOE, responsábel comarcal do BNG e liberado da organización, lembrámolo con Suso de Navia ou Milucho montando, así dicían eles, candidaturas das municipais ao longo da provincia, organizando asembleas locais, participando en consellos locais ou comarcais do BNG ou debatendo nos comités de zona da UPG. Unha vez, coñecémolo en Mazaricos en 1992 nun momento delicado para o nacionalismo na comarca de Muros Noia, díxonos que só era un militante nacionalista, o tempo confirmóunolo. Sempre estivo aí por iso nunca nos afaremos a vivir sen el. Lembrarémolo cando volvamos a Lugo ao local da rúa Miguel de Cervantes, cando pasemos por diante de Pérez Constanti, cando camiñemos a carón do entrechán da INTG da avenida de Lugo ou cando acudamos á antiga sala de reprografía da Facultade de Psicoloxía. Só tiña 62 anos, aínda que coñecedores da súa doenza de tempo, ficáballe moita forza para seguir pelexando, achegarnos a súa opinión, suxerirnos propostas de actuación e pedirnos un tabaco para partillar as agachadas. Esta quinta feira estaremos con el, ás 17:00 no tanatorio lugués das Gándaras, para acompañalo, para abrazar a Pascuala, a Alba e Roi e para seguir camiñando a súa beira.
NOS_3033
Caxade chegou para quedar. O 21 de maio presenta en directo na compostelá sala Sónar o seu segundo disco de estudio recén saído do forno, E isto é o amor, e logo inicia unha xira por todo o país. Falamos coa persoa detrás do proxecto, Alonso Caxade.
- Logo de ser a revelación do momento co teu primeiro disco, Dança dos moscas, o teu segundo disco é un reto maior...- Efectivamente é un reto grande. A crítica habitual que se lle fai ao segundo disco é que ou é o mesmo que o anterior ou o de antes era mellor. Sabendo que esas son as dúas lousas ás que enfrontarse, eu aínda lle botei unha acha máis ao lume, que é parar os concertos cando aínda se seguían vendendo. Decidín parar 5 meses e agora sacar este novo disco. A razón foi basicamente para para non saturar demasiado e para gardar a sorpresa do novo disco e non xuntar unha cousa con outra. Para min é un reto maior porque había xente que aínda demandaba máis concertos do disco anterior, pero nunca penso en algo que poida gustarlle ao público ou estrictamente que vaia para o público. Son músicas que están aí gardadas, algunhas das que van neste disco levan 3 anos na neveira, e outras foron feitas despois incluso da primeira quenda de gravación, é dicir, teñen a penas uns meses. - Segues a ser fiel á túa estética sonora e tamén gráfica. E ambas as dúas son xa inconfundibles.- Esa é unha das ansias, que o proxecto teña forma, teña sentido e que teña contido para que trascenda máis alá dunha moda. É moi bonito cando un está de moda, cando é revelación, e chega de novo... iso para min foi importante e estou inmensamente agradecido, pero agora o reto é ir máis alá desa moda e que se perciba como un grupo, un artista que ten interese de quedar, que non é simplemente anecdótico. O feito de que haxa un estilo, unha estética tanto sonora como visual, nos videoclips, nas fotos, na instrumentación e demais, é algo que tamén me preocupa porque levo moito tempo dándolle voltas a un proxecto persoal. Tivemos a sorte de xirar moitísimo, con 100 concertos de presentación, por moitos sitios e en moitos contextos distintos, por tanto por moitos públicos, e iso deunos o contacto e o feedback directo. Fixemos moitas viaxes xuntos, máis que ensaios, e iso dá lugar a moita reflexión e contraste para ver por onde levar o grupo, como facer algo anovador, así que para min é un dos retos: por unha banda seguir investigando na música e facer o que quero e o que me peta na gana pero, ao mesmo tempo, cuns patróns que están claros. "Volve haber metáforas, hai cousas mesmo máis encriptadas que no anterior" - Tamén presentaches un videoclip de fermosa feitura dirixido por Leandro Lamas. - Esa foi unha das sortes, nesta ocasión puiden liar a un grande como é Leandro, que xa forma parte da historia da pintura galega, pero non é tan coñecida a súa faceta como director de teatro, que tamén o é, aínda que sexa de teatro amador, cunha compañía en Narón que se chama Carracha na Cacha Teatro. E con esta compañía fixemos o videoclip E isto é o amor! Para min é unha marabilla porque eu sempre sentín que a miña música é a banda sonora dun cadro de Leandro, a verdade é que sempre o admirei, sempre crin que tiñamos moita relación na estética, nos dobres e triples sentidos, un contexto moi naif, moi banal, infantil, pero con detalles moi profundos, as cores, a estética visual, cousas nas que eu me sentía moi identificado, e o vídeo é o resultado esperadísimo, é un traballo de creación de Leandro a partir de ideas que eu lle ía dando e que el soubo captar perfectamente. Ademais é fan do grupo. - Continúas con letras reivindicativas, recuperas a metáfora da xente pota e falas do Independence Day. - A idea é, como no anterior, que haxa diferentes niveis, capas na música e na poesía, quen queira disfrutar simplemente dunha primeira escoita, esquecer do que din as letras sen moito máis, pode facelo, ten esa primeira percepción infantil, naif, mesmo surrealista. Con esa primeira escoita o meu obxectivo é que a xente quede satisfeita. Se a maiores alguén quere darlle unha segunda ou terceira, que tamén haxa un sustrato, que haxa máis solo por abaixo. E si, volve haber metáforas, hai cousas mesmo máis encriptadas que no anterior, pero é unha motivación, por outra parte está todo adubado polo amor, mesmo o amor como violencia, que está tamén aí descrito porque tamén o hai. Ou a violencia do amor, o amor pola crianza... hai moitos tipos de amor. Tamén hai cousas máis directas, como a do Independence Day, que non é só un reclamo político, senón tamén é falar da independencia do ser humano, de crear seres libres que poidan ter posibilidades distintas das que nós tivemos coas súas nacións e coas súas vidas. - Unha das poucas colaboracións é unha letra de Sechu Sende, a do single 'E isto é o amor', precisamente. - Con Sechu nace a relación de maneira anecdótica, e a letra estivo gardada a letra durante moito tempo. El escribiume ao pouco de sacar o primeiro disco e díxome que el escoitaba os seus poemas con músicas coma as que eu facía, por exemplo, "este que che envío", me dixo. E quedou na neveira dous anos aproximadamente até que me puxen con el hai oito meses para darlle forma. Cando o lin pareceume moi bonito, con moito substrato detrás e que me encaixaba perfectamente na idea deste segundo disco. - Desta vez xuraría que tes máis música tradicional. - É curioso, hai dúas perspectivas e son as dúas acertadas. Nestes dous ou tres días desde o lanzamento hai xente que me di "este disco é máis indie, máis pop" e eu non o sei, o que fixen neste caso é ter aínda menos tabús. Creo que efectivamente hai máis pop neste disco, pero sen dúbida tamén moita máis música tradicional. A razón das dúas percepcións é porque hai sintetizadores, hai algo de electrónica. A partir de aí hai pezas tradicionais, a verdade é que non tiven tabús. No primeiro intentei para ter unha estética propia, ía máis empacado todo, e unha das críticas do primeiro é que era moi similar, que por momentos, que era tan propio, tan persoal que rozaba a monotonía. Pero é difícil contentar a todo o mundo, así que fixen o que me pedía o corpo. "O meu seguinte obxectivo é traballar na profesionalización" - Entón ademais desta, cal cres que serían as diferenzas co disco anterior?- A diferencia máis clara é que tivemos tempo. O anterior disco non sei nin como chegou a soar como soa. Un grupo que seis meses antes do disco non existía, estaba eu só na casa. A partir de aí había concertos cando non había en axenda practicamente ensaios. Montamos un produto ao revés, empezamos a ensaiar e entramos no estudio cando non se experimentara no directo coas músicas. O normal ao revés, sacas o grupo, miras a resposta do público e logo gravar. Ese disco foi gravado a cuartos de hora, todo moi precipitado e saíu, está aí. O que non está é a calma. Neste empezamos a gravar hai cinco meses unha tandada de pezas, e tamén tivemos tempo a investigar o timbre que quería conseguir. - Neste proxecto ti falo practicamente todo, desde a parte máis artesanal á produción e a comunicación. Parece todo dunha factura artesanal, con moita atención aos detalles. Pregúntome se o teu obxectivo é ir cara a profesionalización.- Véxoo moi complicado. Sinceramente si que me gustaría. Non era o meu obxectivo principal, non o é tampouco agora mesmo, pero si que é certo que me gustaría polo menos escoller. O meu obxectivo principal era poder expulsar un proxecto novo, como cando un ten unha area no zapato, párase, desamallóase e quita a area e volve a camiñar. E para seguir avanzando, para facer outras cousas, mesmo a nivel persoal, tiña esa ansia de sacar un proxecto musical feito por min. Dunha vez que iso está feito, é unha sorte que fora ben acollido polo público, o meu seguinte obxectivo é traballar na profesionalización, en xeral, das artes escénicas para que as fillas das nosas fillas teñan polo menos a oportunidade de escoller se queren dedicarse á artesanía ou a unha industria musical. A min traballar na artesanía da música non me estorba. Teño outro traballo, no que me sinto plenamente realizado, pero si que é certo, si que me gustaría polo menos ter oportunidade de pensalo, pero non hai industria cultural, por tanto pensar que un artesán pode competir cunha grande superficie, é bastante ridículo, son planos distintos. Non o sei, o de delegar tamén me gustaría poder facelo. Ás veces vexo que rozo a incompetencia e ao final o que me gustaría é compoñer e tocar, pero supoño que iso lle pasa ao 101% de grupos no país. "Non hai industria cultural, por tanto pensar que un artesán pode competir cunha grande superficie, é bastante ridículo" - Tes unha xira de presentación potente con concertos en varias cidades do país, e tamén en Toulouse. - Si, iso foi unha sorpresa grande, é un festival moi potente, de renome. Rio Loco dedícase a un estilo ou a unha estética sonora, e este ano dedícase aos países celtas. E é tanto un orgullo como unha sorpresa, porque unha vez máis volvemos a saltar a Península onde de momento nos sigue sendo imposible parar, máis alá de GZ e Portugal, para pasar a Toulouse. En canto ao país, sabía que habería certa expectación polos concertos, e houbo demanda por parte das salas. En seis semanas hai nove concertos, e e iso demostra que hai moitas salas que confían sen escoitar o novo, e iso é de agradecer.
NOS_42677
Representa 12% das persoas infectadas por Covid-19 en todo o Estado.
O persoal sanitario é o que está en primeira liña na loita contra o coronavirus, nunha batalla na que moitas veces carecen do material necesario e á que dedican compromiso, esforzo e moitas horas de traballo, sobrepasando a xornada laboral. Hai 3.471 profesionais do persoal médico que están infectados polo coronavirus en todo o Estado español, segundo anunciou este domingo o propio Ministerio de Sanidade. Unha cifra que supón 12% do total de persoas que teñen Covid-19. "É un problema importante. Sabemos que son o grupo poboacional de máis risco, é obvio e hai que asumilo", manifestou Fernando Simón, directordo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias. Os datos ofrecidos este domingo polo Ministerio de Sanidade cifran en 28.572 os casos de coronavirus rexistrados no Estado español, que son 3.500 máis que no día anterior, un aumento de 14%. Hai 1.720 mortos e o número de altas supera as 2.500. O territorio máis afectado pola pandemia continúa a ser Madrid, con 9.702 casos, 1.021 falecidas (60% do total) e 834 doentes en UCI (47% do total). A moita distancia síguenlle Catalunya (4.704 casos confirmados e 191 falecementos) e Castela-A Mancha (1.819 casos e 112 mortas).
NOS_30337
Lanzan unha iniciativa nas redes que procura unha convocatoria conxunta para o Día da Patria Galega.
Desde a "esquerda soberanista" e a modo individual, centos de persoas xa se sumaron á iniciativa lanzada nas redes sociais mediante a que se chama a unha convocatoria "conxunta, plural e participativa" o 25 de Xullo. Defenden unna manifestación unitaria co gallo do día nacional de Galiza polo que reclaman "todos os esforzos posíbeis" das organizacións políticas "tradicionalmente convocantes" nesa dirección. O obxectivo é reunir as "distintas sensibilidades" do soberanismo galego arredor dunha única manifestación logo de décadas decorrendo diversas convocatorias arredor de "siglas concretas", sinalan no texto difundido através das redes. Após lanzar a iniciativa en Facebook conta xa con máis de 600 persoas adheridas.
NOS_28056
Populares, socialdemócratas e liberais apoian o candidato da dereita, só rexeitado por Gran Bretaña e Hungría.
"Decisión tomada. O Consello Europeo propón a Jean-Clauede Juncker como próximo presidente da Comisión Europea". Esta breve mensaxe anzada na súa conta de twitter polo presidente do Consello europeo, Van Rompuy, abondou para que tod@s se desen por enteirados. Non fixo falla nin rolda de prensa ou comunicado oficial. Un simple chío para despachar unha cuestión trascendental para Europa. Os líderes da UE confirmaron esta sexta feira que Juncker vai ser a persoa que substitúa a Barroso, unha responsabilidade que deberá ser confirmada nunha votación no Europarlamento o vindeiro 16 de xullo. Non se agardan dificultades, á vista de que ten o apoio de populares, socialdemócratas e liberais. Só os primeiros ministros de Gran Bretaña e Hungría se posicionaron en contra. Non polo modelo social ou por discrepar do 'austericidio', senón porque ven en Juncker alguén excesivamente federalista.
PRAZA_19982
O candidato de En Marche impúxose cun 66% dos votos fronte a case un 34%. Chega ao máis alto posto en Francia tras unha curtísima carreira política e outra máis prolongada no mundo das finanzas como executivo bancario
O candidato liberal Emmanuel Macron será o próximo presidente de Francia pouco máis dun ano despois de fundar o "movemento" político que o levou ao Palacio do Elíseo por encima dos partidos tradicionais e da extrema dereita. Macron impúxose cun 66,06% dos votos fronte a un 33,94% da candidata ultradereitista Marine Le Pen. "Defenderei a Francia, os seus intereses vitais, a súa imaxe. Defenderei Europa, porque está en xogo a nosa civilización e a nosa forma de ser libres", manifestou no seu primeiro discurso tras coñecerse a súa vitoria. O futuro presidente sinalou como prioridades do seu mandato "a renovación da nosa vida pública, a moralización da vida pública e a vitalidade democrática". A ultradereitista Le Pen queda un chisco por baixo do 34% Despois Macron dirixiuse aos seus seguidores, que se concentraban fronte ao Museo do Louvre, en París. "O que fixemos desde hai tantos meses non ten precedente nin equivalente. Todo o mundo dicía que era imposible. Porque non coñecían Francia!", proclamou no seu segundo discurso da noite. Antes tomou a palabra Marine Le Pen, para recoñecer a derrota e lamentar que os franceses votasen "a favor da continuidade". Informou de que chamou a Macron: "Feliciteino e desexeille que teña éxito". Tamén se reivindicou como líder da oposición ao novo presidente e chamou "a todos os patriotas a unirse". Agora, di, aposta por que o seu partido ultra deixe de chamarse Fronte Nacional para asumir a denominación de "patriótico". Macron chega ao máis alto posto en Francia tras unha curtísima carreira política e outra máis prolongada no mundo das finanzas como executivo bancario. Nunca ata agora se presentara a unhas eleccións Macron chega ao máis alto posto en Francia tras unha curtísima carreira política e outra máis prolongada no mundo das finanzas como executivo bancario. Nunca ata agora se presentara a eleccións de ningún tipo. O seu primeiro achegamento á política foi en 2012, cando o presidente socialista François Hollande o nomeou secretario xeral adxunto do Elíseo. Dous anos despois, ascendeu a ministro de Economía, e desde ese posto executou parte das políticas económicas que afundiron a popularidade de Hollande. En agosto de 2016, renunciou a ese posto nun momento en que parecía que calquera candidato relacionado coa presidencia de Hollande estaba condenado a fracasar nas urnas. Será o oitavo presidente da Quinta República francesa e o máis novo de todos eles, con 39 anos. E o primeiro en chegar a esa cadeira de brazos sen o apoio dun gran partido. A súa vitoria marca a ruptura dun sistema político no que socialistas e conservadores se alternaron no poder durante décadas. As dúas formacións ata agora convencionais, o Partido Socialista e Os Republicanos, quedaron expulsadas xa na primeira volta, na que só un de cada catro franceses optou por elas. O reto das lexislativas de xuño Aínda que Le Pen foi derrotada, o seu resultado é unha marca histórica para a Fronte Nacional. Conseguiu 10,6 millóns de votos, practicamente o dobre dos que conseguira o seu pai en 2002. Naquel momento, única ocasión en que o partido de extrema dereita pasara á segunda volta presidencial ata este ano, o conservador Jacques Chirac gañou co 82% dos votos grazas á "fronte republicana" que conseguiu reunir ás súas costas para frear a Jean-Marie Lle Pen. Macron promete presentar candidaturas en todas as circunscricións nas lexislativas e anuncia a conversión do seu "movemento" nun partido Na súa mensaxe, Le Pen erixiuse en líder da oposición a Macron, pero iso dependerá das eleccións lexislativas de xuño. O sistema de dobre volta volverá castigar á fronte Nacional en moitas circunscricións e pode iniciar a lexislatura con non moitos máis que 20 escanos. Agora só ten dous. Eses comicios serán tamén un reto para Macron, que prometeu que presentará candidaturas nas 577 circunscricións. Sen unha maioría na Asemblea, quizá se vexa obrigado a aceptar a cohabitación cun primeiro ministro doutro partido. Para afrontar este proceso o presidente electo impulsará dende este luns a conversión do seu "movemento" nun partido cun aparello para concorrer a eses transcendentais comicios.
PRAZA_5910
Máis de nove cada dez persoas que saíron do paro en Galicia por colocación dende o inicio da crise fixérono sen unha chamada do Servizo Público de Emprego. As baixadas do paro rexistrado por non renovación da demanda acadan cifras históricas.
"É difícil atopar traballo sen non amosas interese en conseguilo". A finais de abril os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) golpeaban con dureza os argumentarios oficiais baseados no "inicio da recuperación" económica e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, optaba por desdeñar o estudo e, ademais, por cuestionar a vontade de atopar traballo de parte da poboación en situación de desemprego, concretamente da que decidía non manterse anotada nas oficinas de emprego, adelgazando polo tanto os datos do paro rexistrado. Segundo Feijóo, igual que é "imposible conseguir unha operación cirúrxica" sen estar "anotado na lista de espera dun hospital", resulta difícil poñerse a traballar sen estar inscrito no antigo Inem. As cifras oficiais, tanto puntualmente como botando a vista atrás, evidencian o fracaso do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e, por extensión, do Servizo Público de Emprego de Galicia, como oficinas de colocación. Máis de nove de cada dez persoas que deixan a lista do paro por atopar traballo fano sen axuda do Servizo Público de Emprego Mentres a teoría presidencial equipara a inscrición como demandante coa posibilidade de atopar un emprego as bases de datos do Instituto Galego de Estatística, dependente da Xunta, evidencian que as persoas que son quen de saír do paro grazas a unha chamada da oficina de emprego son unha verdadeira excepción. Tomando como referencia o ano considerado como o do inicio da actual crise económica, o 2007, os números din que máis de nove de cada dez persoas que saíron das listas do paro por atopar un traballo fixérono polos seus propios medios e sen recibir antes unha oferta dos servizos públicos de emprego. Nomeadamente, entre 2007 e 2013 déronse de baixa por atopar un traballo 1,6 millóns de persoas en Galicia e delas poucas máis de 80.000 recibiran unha oferta da oficina de emprego, isto é, o 5,24%. Se a visión en perspectiva non deixa ben parados os servizos públicos de emprego unha baixada ao detalle dos primeiros meses do 2014 déixaos aínda peor. No que vai de ano o paro rexistrado tivo un comportamento relativamente mellor que nos últimos exercicios e isto derivou en que, ata finais de maio, algo máis de 100.000 persoas tivesen que dar de baixa a súa demanda de emprego porque atoparon un posto de traballo. Foron, concretamente, 101.764 colocacións das que 100.053 se produciron sen intervención ningunha da oficina de emprego e só 1.711 coa súa oferta. Isto quere dicir, polo tanto, que apenas o 2% das colocacións tiveron algo que ver co SEPE. O desánimo que non cesa A outra cara da moeda das baixas por contratación son as que se producen porque os demandantes do emprego, xeralmente persoas que xa non reciben ningún tipo de prestación, deciden non renovar a súa inscrición no SEPE cando corresponde. O coñecido como efecto desánimo, intimamente ligado coa inutilidade práctica das autoridades laborais para facilitar a busca de traballo, non deixou de se incrementar dende o inicio da crise e só deu un leve respiro nesta primavera, na que factores como as vacacións de Semana Santa e a súa contorna motivaron un significativo incremento da contratación temporal. Así, no que vai de ano das 198.892 persoas que se deron de baixa nas oficinas de emprego galegas as devanditas 101.764 fixérono porque atoparon traballo e 97.128, porque non renovaron a súa demanda ou por "outras causas", caso por exemplo de quen remata un ERE ou de quen non acude a un curso convocado polo servizo público de emprego. Esta lixeira mingua do efecto desánimo nos primeiros meses de 2014 contrasta co panorama que ofrecen as estatísticas olladas en perspectiva, dende o ano 2007. No remate daquel exercicio déranse de baixa nas oficinas de emprego máis de 389.000 persoas e un número moi significativo delas, máis de 243.000, fixérano porque atoparan un traballo. Mentres as baixas por colocación seguiron, con lixeiras baixadas, unha liña máis ou menos estable neste tempo, as inscricións que desapareceron por non renovación ou por outras causas non deixaron de incrementarse, cunha suba do 66% ata finais de 2013, cando chegaron a ser case 243.000, poucas menos que as que se produciron por colocación nese mesmo ano.
NOS_11083
Os usuarios con COVID-19 suman 415 e os traballadores 255.
A situación nas residencias de maiores segue empeorando co avance da pandemia. Os casos entre os usuarios redúcense a 415 nestes centros, un cinco menos que este domingo, aínda que se detectou un brote na Domus Vi Coruña de Oleiros cunha decena de afectados (nove deles residentes) e 12 novos contaxios que se suman á Domusvi Ribadumia, a maioría traballadores. A residencia de Oleiros, pola súa banda, presenta nove usuarios afectados e un traballador, mentres que o centro de Ribadumia conta cun novo residente e 11 empregados contaxiados. O balance de casos facilitado pola Consellería de Política Social cifra en 14 os novos positivos confirmados entre os residentes en centros de maiores. Ademais de Oleiros e Ribadumia, o resto de contagios detectouse en Orpea Lugo (un caso) e Viana do Bolo (tres). Os centros de Salvaterra do Miño e Nosa Señora dos Milagres de Barbadás presentan a situación máis grave entre os residentes, con 85 e 81 usuarios positivos. Tamén destaca o balance na Domus Vi de Ribadumia, que conta con 59 contaxios, A Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia con 34 e A Nosa Señora das Virtudes (Pontedeume), con 24 residentes afectados. Doutra banda, tamén se detectaron novos contaxios entre os traballadores das residencias de maiores. En concreto, na Domusvi Coruña Oleiros (1), Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume (2), a Domus Vi de Chantada (1), residencia da Veiga en Láncara (1), A nosa Señora Valvanera de Cambados (tres), CRAPD 1 de Vigo (un) e DomusVi de Ribadumia, con 11 novos positivos. A incidencia de contagios afecta a un total de 255 empregados destes centros, sobre todo en Nosa Nosa Señora dos Milagres (Barbadás), que conta con 46 positivos entre os seus traballadores; a de Salvaterra con 27, Os Gozos de Pereiro de Aguiar (con 26) e a Domus Vi de Ribadumia, con 19. Centros de discapacidade Os centros de atención á discapacidade, pola súa banda contan con 32 usuarios con positivo por COVID-19. En concreto na Adultos Pai Menni de Betanzos (1), o Centro Atención a Persoas con Discapacidade da Coruña (1) a Ricardo Baró de Aspronaga de Oleiros (1) a DomusVi de Bóveda (24), o San Vicente de Paúl de Lugo (4) e Chapela, en Redondela (1). Tamén hai 26 traballadores afectados na Souto de Leixa (1), Aspanaes das Pontes (1), Domusvi Bóveda (17), San Vicente de Paúl de Lugo (3), Domingo Gómez Freire de Ourense (1), Santa María de Ourense (1), Chapela (1) e Residencia Dano Cerebral Adquirido de Vigo (1)
NOS_41596
Así o testemuñan informes da Xunta, afirman desde a Federación da Banca da CIG, que critica que embora esa realidade o goberno non queira actuar.
Entre 2008 e 2016 Galiza rexistrou un importante aumento da concentración bancaria. O proceso de recentralización e concentración bancaria deixou pegada especial no noso país, onde o pastel do negocio bancario se reparte entre apenas cinco entidades. Un nivel de concentración que é raro atopar en Europa e do que mesmo advirten informes da Xunta, segundo a Federación da banca do sindicato CIG. Apenas cinco entidades suman case 90% do negocio bancario en Galiza: Abanca, Santander, BBVA, Caixabank e Sabadell. O proceso de concentración e centralización bancaria devorou as entidades galegas (as caixas de aforros, Banco Pastor, o Banco Gallego…). A Federación da Banca da CIG afirma que "Galiza ten unha concentración bancaria que supera os límites previstos na UE, segundo informes encargados pola propia Xunta". Embora ese dato, sostén a central, o goberno galego considera que non é necesario un novo informe nin tomar medidas. Para esta Federación, a concentración a ese nivel tan alto ten un impacto social e económico que non se pode obviar: é un proceso de acumulación do poder económico con ramificacións no poder político, xudicial e nos medios de comunicación; redúcese o servizo bancario, tanto polo novo modelo de banca, como polo peche de oficinas; diminúe o número de competidores; afecta ao emprego; e os beneficios xerados aquí marchan fóra do país. Galiza lidera o ranking de maior concentración bancaria. "Non digo que iso poida ser prexudicial para a competencia mais si que debería analizarse con rigor o impacto e non se deu nin un dato", explicaba Joaquín Maudos, catedrático de Análise Económica, responsábel dun estudo do Foro Económico de Galiza sobre a reestruturación financeira e o seu impacto.
NOS_48619
Acabou a peseta! O Celta despide unha tempada tan cómoda no eido estritamente deportivo como convulsa fóra do terreo de xogo ante un equipo en plena guerra civil, o Valencia (sábado, 17.30 horas). Tamén é moi interesante o derbi galego deste sábado ás 20.30 entre Celta B e Rácing de Ferrol, mesma hora do Dépor-Valladolid B.
Como se dun protagonista de película de acción se tratase, neses filmes nos que case sen saber como o tipo duro acaba cos seus osos inmersos nun conflito que non é o seu, xa sexa unha loita urbana ou un preito interxeracional entre dúas familias, o Real Club Celta de Vigo despide a tempada 2021/22 nunha Valencia en estado de sublevación. A cidade do Turia está en pé de guerra contra a propiedade do club, exercida desde 2014 polo singapurense Peter Lim, desde que a principios de semana se fixesen públicos uns audios privados do presidente, Anil Murthy, nos que carga contra todo e contra todos, desde a estrela e ídolo da afección Carlos Soler até o adestrador, Bordalás, pasando pola prensa deportiva local. Foi a pinga que rebordou o vaso da decadencia social e deportiva dun club acostumado a loitar polos títulos, polo que varios colectivos de seareiras fixeron un chamamento a concentrarse diante do estadio de Mestalla durante o partido contra o Celta (hoxe sábado, 17.30 horas), pero sen entrar en ningún momento dentro do coliseo. Así as cousas, este atribulado contexto, que levou á Delegación do Goberno a cualificar o partido de "alto risco", aumenta as posibilidades dun Celta que aspira a fechar a tempada cun triunfo que o catapulte até a novena posición, meta para a que necesita ademais que o Osasune non pase do empate mañá ante o Mallorca. Deportivamente, Coudet non poderá contar cos seus dous mediocentros defensivos, Fran Beltrán -mancado- e Renato Tapia, sancionado, polo que será unha boa ocasión para seguir as evolucións dun rapaz do Porriño chamado a contar con moitos máis minutos a próxima tempada, Gabri Veiga. O encontro tamén ten un certo baruto crepuscular, pois moitos dos homes que salten ao terreo de xogo de Mestalla non continuarán en Vigo na 2022/23. Son os casos do segundo xogador máis popular entre a afección tras Iago Aspas, Denis Suarez, pola súa lea co presidente Mouriño-; o titularísimo porteiro Matías Dituro, pois a directiva négase a pagar polo traspaso dun gardameta que actualmente está en calidade de cedido por considerar que aos seus 35 anos é demasiado veterano para a Primeira División; o lateral Javi Galán, obxecto de desexo de varios dos clubs más potentes das ligas española e inglesa; o central Murillo, unha das grandes decepcións da tempada; Nolito, xa homenaxeado a pasada xornada despois do partido co Elxe; e, posíbelmente, algún outro dos membros menos habituais do cadro celeste, como Augusto Solari e Thiago Galhardo O dilema do Rácing Xa na terceira categoría, a Primeira RFEF -unha vez máis, os horarios extemporáneos da Liga de Fútbol Profesional impiden que Nós Diario poida ofrecer a crónica dun partido, neste caso o Zaragoza-Lugo de onte, que finalizou fóra do horario de fechamento desta edición, todo o protagonismo galego recae nos ombreiros do derbi Celta B-Rácing de Ferrol (hoxe, 20.30 horas). Programado en Balaídos, en lugar de en Barreiro, onde habitualmente xoga como local o filial celeste, a privilexiada posición do Rácing de Ferrol permítelle chegar coa tranquilidade de saber que, salvo que perda por goleada, xa ten asegurada unha praza no play-off. Non así o Celta B, que necesita gañar para fuxir definitivamente do axexo polo cobizado premio de loitar polo ascenso que desexan arrebatarlle Badaxoz, UD Logroñes, Raio Maxadahonda e Unionistas. Non ten estes problemas o Deportivo da Coruña. Co play-off no peto e o segundo posto tamén case certificado, a escuadra herculina visita Valladolid para enfrontarse co filial pucelano tamén no día de hoxe a partir das 20.30 horas, nun partido que o técnico Borja Jiménez empregará para axustar pezas de cara ao tramo decisivo da competición.
NOS_36643
O titular do Executivo comunitario dixo esta sexta feira que non vai mediar entre Catalunya e o Estado español porque só llo ten solicitado unha das partes en conflito, isto é, a catalá. Juncker afirma non querer unha Europa con 90 países. Neste momento a UE está formada por 28 estados, mais en breve serán 27, após o Brexit.
O recoñecimento internacional é unha das chaves para a independencia de Catalunya se tornar unha realidade. Esta mesma sexta feira, Artur Mas -o líder orgánico do Partit Demòcrata Europeu Català- afirmou nunha entrevista en TV3 que "se un estado se declara independente, mais non o recoñece ninguén e non pode actuar como tal, é unha independencia estética. E se non se ten en conta o factor exterior, pódense cometer erros". No taboleiro internacional a UE é unha peza básica para as correntes dominantes do soberanismo -quer para ERC quer para o PDeCAT, confesionalmente europeístas-, daí que calquera cousa que diga Jean Claude Juncker neste momento se converte nun asunto de política interna catalá. Consciente dese poder, o titular da Comisión Europea declarou esta sexta feira, nun Facebook Live realizado na Universidade de Luxemburgo, que "se nós permitimos que Catalunya se separe, outros farán o mesmo. Eu non quero iso. Xeraría máis caos. Eu non quero unha Europa formada por 90 países". Con ese "se nós permitimos..." Juncker desliza implicitamente que unha palabra en positivo da UE daría carta de natureza á República catalá independente. Mais as vibracións que chegan de Bruxelas non son boas para o soberanismo catalán. Juncker di que non vai mediar porque só recebeu unha petición nese sentido dunha das partes, non desde logo a española, e porque até o de agora só o ten feito entre estados e Catalunya non o é. E mentres tanto, Artur Mas ve imposíbel un "diálogo operativo" entre as institucións catalás e as españolas porque as relacións están "moi deterioradas". O líder do PDeCAT dá por sentado que o president da Generalitat, Carles Puigdemont, si realizou unha declaración de independencia a pasada terza feira: "A independencia decidiuse a 1 de outubro porque había máis votos do si do que do non. Quen aproba a independencia é o pobo de Catalunya, nas urnas do referendo".
NOS_43976
A continua redución da incidencia acumulada é unha boa nova na véspera de que se reúna o comité clínico para decidir sobre a posibilidade de reducir as restricións.
Na véspera de que o comité clínico que asesora á Xunta da Galiza en temas Covid-19 se reúna para decidir sobre posíbeis reducións dos niveis de restrición, xa só quedan dúas cidades no país cunha incidencia acumulada a catorce días en risco extremo. Trátase da Coruña e de Ferrol, que están sobre os 250 casos por cada 100.000 habitantes, segundo os datos do Sergas. En concreto, a cidade herculina ten unha incidencia acumulada de 405 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que Ferrol suma 384 casos por cada 100.000 residentes. A última das cidades en saír deste nivel de risco extremo é a de Pontevedra, que nesta xornada sitúase nos 224 por cada 100.000 habitantes. No resto, Compostela suma unha incidencia acumulada nos últimos 14 días de 174 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que Vigo ten 168, Ourense chega a a180 e Lugo sitúase en 234. Presión hospitalaria En canto á presión hospitalaria, segundo as cifras publicadas este domingo pola Consellería de Sanidade, actualizadas ás 18 horas da tarde do sábado, as persoas ingresadas con coronavirus sitúanse en 735, cinco menos. Iso si, o descenso nas unidades de coidados intensivos (UCI) é maior, con 155 enfermos, oito menos que un día atrás. Se se observan os datos por áreas sanitarias, a baixada das hospitalizacións non se cumpre en todas elas. Así, na de Lugo-A Mariña-Monforte subiron en cinco, até as 64 en total, aínda que na UCI mantéñense 21. Tamén aumentaron en Ourense-Verín-O Barco, con 71 hospitalizadas -cinco máis-, seis delas en críticos -unha máis-. Ademais, en Vigo o global de ingresados non varía con respecto aos datos do sábado, e sostense en 83, pero en coidados intensivos hai 20, un máis. En canto á área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, aínda que baixaron nun os pacientes Covid hospitalizados, a 88, en UCI aumentaron nun, ata os 21. Pola súa banda, a área da Coruña-Cee continúa como a que máis enfermos de coronavirus hospitalizados ten, con 221 (-12), dos que 53 (-3) están en coidados intensivos; mentres que en Santiago-Barbanza son 90 os ingresados totais (-10), 19 deles críticos (sen variación); e en Ferrol 108 hospitalizados (sen cambios), dos que 15 están na UCI (-1). Menos casos activos Pola súa banda, os casos activos baixaron da barreira dos 9.000, colocándose nos 8.616, logo dunha caída de 673 nun día. Nos datos publicados este domingo, a área sanitaria da Coruña-Cee diminuíu en 163 casos activos en 24 horas, até situarse nos 2.869. Tamén baixaron en Vigo, até os 1.316 (-59); e en Pontevedra-O Salnés, a 1.150 (-120). En Santiago-Barbanza, os casos activos caeron do milleiro, a 950 (-95), o que implica volver a cifras de mediados de decembro. Tamén se manteñen por baixo dos 1.000 as áreas de Ferrol, con 861 pacientes (-92); Lugo-A Mariña-Monforte, con 838 (-63); e Ourense-Verín-O Barco, con 632 (-81).
NOS_32597
O cuartel desta vila da comarca de Vigo denunciou o concello por tres sinais de tráfico que estaban en galego. En 2015 nese mesmo cuartel negáronse a tramitar unha denuncia por estar en galego.
O cuartel da Garda Civil de Gondomar é reincidente en canto a decisións contra o galego. Esta fin de semana coñecíase que o Instituto armado desta localidade do sur de Galiza denunciaba o concello por ter sinais de tráfico só en galego (sinalización que levaba instalada máis de 10 anos). A Mesa lembra que non é a primeira vez que este cuartel amosa este tipo de actitudes. No verán de 2015 esta organización facía pública unha queixa pola negativa deste posto da Garda Civil a atender unha denuncia de roubo por estar feita en galego, "que derivou nunha simples desculpa por parte da Comandancia de Pontevedra que, porén, recoñeceu os feitos". A Mesa pola Normalización Lingüística solicitou esta segunda feira ao Ministerio de Interior a apertura dunha investigación para determinar e depurar as responsabilidades nos casos de "ataques sistemáticos e persecucións ao uso do galego" nese cuartel. "A actitude contra a lingua propia e cooficial en Galiza neste cuartel é reiterada", denuncia Marcos Maceira, presidente da Mesa. A Mesa pola Normalización Lingüística reclamar unha investigación "e a depuración de responsabilidades, xa que o sectarismo ideolóxico e o racismo lingüístico non se pode consentir nun estado democrático e menos se parte de institucións do propio estado". Na mesma liña dirixirase á Secretaria Xeral de Política Lingüística e a Valedora do Pobo.
NOS_18578
Apremia a que o goberno español mova ficha en relación a intereses sobre empresas privadas no país azteca para desbloquear o convenio con Navantia
Leva meses dándose por feita a construción dos floteis en estaleiros galegos, mais a orde de 'cortar chapa' non chega ás factorías. Pasaron 10 meses desde setembro de 2012, coa Xunta a anunciar a bombo e platillo o convenio con Pemex. Mais a día de hoxe as gradas seguen baleiras. Diversos medios sinalan que México está a esperar que se cumpran unha serie de contrapartidas e contraprestacións por parte do goberno español para pechar o acordo e permitir a construción do flotel en Navantia. É o estaleiro que ve perigar esa necesaria carga de traballo, prometida por activa e pasiva pola Xunta desde aquel setembro de 2012. O caso de Barreras (o outro estaleiro onde Pemex construiría un flotel) é distinto. A para-estatal mexicana comprou o 51% do estaleiro vigués. Intereses Así pois, o goberno mexicano non vai dar vía libre á construción do flotel en Ferrol mentres non teña garantías sobre esas contrapartidas por parte do Goberno español. Isto éo que sosteñen diversos medios, entre eles El Confidencial. E de que contrapartidas estariamos a falar? A este respecto, todo o que se apunta é que os mexicanos seguen pendentes de que o Executivo de Mariano Rajoy acceda a "misteriosas condicións políticas" relacionadas con oempresas españolas privadas con intereses en México que non se cumpriron. Así pois, Ferrol podería ficar sen flotel. O golpe definitivo e letal á economía da comarca. E poucos días despois dunha Folga Xeral comarcal secundada masivamente. CIG denuncia a "falta de responsabilidade" A sección sindical da CIG en Navantia denuncia a "falta de responsabilidade e despreocupación" do Goberno español na dirección deste estaleiro. Unha afirmación realizada ante a demisión do conselleiro delegado de Navantia. A central nacionalista considera que o problema non radica "na actual equipa directiva de Navantia, como dí Feixoo, senón nas erráticas decisións que se seguen a tomar polos diferentes gobernos, neste caso nomeados polo mesmo partido político ao que pertence o presidente da Xunta".
PRAZA_17528
Este luns tivo lugar a inauguración da obra, tralos traballos que permitiron recuperar as cores orixinais e que melloraron o seu nivel de conservación. O 27 de xullo comezarán as visitas, que serán gratuítas, por un máximo de 15 minutos e sen posibilidade de reserva
Galería de imaxes do Pórtico da Gloria trala súa restauración O Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, que vén de ser restaurado, poderá ser visitado a partir dos últimos días deste mes de xullo, probablemente a partir do día 27. Nese momento abrirase un programa de visitas "axiles" (máximo 15 minutos), gratuíto e sen posibilidade de reserva, que permitirá a residentes e visitantes contemplar a obra do Mestre Mateo en todo o seu esplendor. Este luns tivo lugar o acto de inauguración do restaurado Pórtico da Gloria, unha vez concluídos os traballos de conservación e restauración aos que foi sometido dende o ano 2009 e que permitiron recuperar as cores orixinais e que melloraron o seu nivel de conservación. Agora comezará un programa de visitas "ordenado" que busca facer compatible o gozo desta obra mestra e, ao tempo, a aplicación das necesarias medidas de conservación preventiva que protexan o monumento e impidan un novo deterioro. Estas medidas son, principalmente, o mantemento dunhas condicións medioambientais estables e a regulación dos fluxos de visitas. Cómpre ter en conta, ademais, que a partir deste outono se iniciarán obras no interior da Catedral, que obrigarán a "encapsular" o Pórtico da Gloria para evitar filtracións de po. Así, entre ese día 27 de xullo e o momento no que comecen estas obras e teña lugar o "encapsulamento", realizaranse visitas en grupos reducidos (25 persoas), cunha duración de 15 minutos e en horario de 8 a 22 horas. Accederase dende a praza do Obradoiro, a través da escalinata monumental, por rigoroso orden de chegada, sen posibilidade de reserva previa. En determinadas circunstancias, e por motivos de conservación derivados de variacións climáticas, principalmente relacionadas coa presenza de altos niveis de humidade ou exceso de calor, o Pórtico da Gloria non poderá abrirse ás visitas. A segunda fase iniciarase no momento en que se leve a cabo o encapsulamento do Pórtico. Está a deseñarse aínda o modelo de visitas que se implantará e que, en todo caso, "permitirá continuar coas visitas ordenadas coas concrecións que se especificarán en canto estean suficientemente testadas", destaca a Catedral de Santiago. O 27 de xullo iniciaranse as visitas, que serán gratuítas, por un máximo de 15 minutos e sen posibilidade de reserva Hai case unha década a obra do Mestre Mateo atopábase nunha situación crítica, con constantes desprendementos de material e complexos mecanismos físico-químicos de degradación dos materiais. Nas obras investíronse 6,2 millóns de euros, e a restauración do Pórtico da Gloria foi posible grazas ao mecenado da Fundación Barrié. A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia destacou este luns que nos últimos días "tivemos ocasión de coñecer polos medios dous extremos absolutos na forma de tratar o patrimonio cultural. Por unha banda, o inceptable tratamento aplicado á escultura de Estella do séc. XVI, realizada por persoal absolutamente descoñecedor das prácticas habituais na conservación e restauración de bens culturais. Por outro lado, tivemos a oportunidade de coñecer os resultados da maravillosa intervención realizada durante estes últimos 10 anos no Pórtico da Gloria, na que participaron profesionais da conservación e restauración, moitos deles alumnos en prácticas e egresados do noso centro". "A diferenza fundamental entre ambas as dúas situacións, aínda que non a única, é a preparación dos profesionais que realizaron o traballo", subliña o centro. No outono comezarán obras na Catedral que obrigarán a 'encapsular' o Pórtico e a modificar o sistema de visitas Nesta imaxe interactiva pódese comprobar a forma en que os traballos de restauración modificaron o aspecto que previamente amosaban a pedra e as figuras (clica na imaxe e móvea á esquerda ou á dereita).
PRAZA_14110
Este xoves Lugo acolle o derradeiro concerto desta iniciativa pensada para lembrar a figura do último violinista itinerante de Galicia, baixo a dirección musical do zanfonista Germán Díaz e coa presentación de Celso Sanmartín.
Florencio López Fernández, nacido en 1914 na Fonsagrada e finado en 1986 e por certo tío-avó de Xoel López, foi músico de casualidade. Quedou cego pola varíola, e foi por isto que aprendeu a tocar o violín. Tocouno toda a vida, pasou pola guerra civil, a ditadura, a transición e a autonomía e sobre todo pasou pola chegada do fonógrafo, os altofalantes, as orquestras e o cassette. Pasou polo tanto por un cambio sociolóxico acelerado en Galicia que levou ao despoboamento do rural e o cambio de costumes. E acabou sendo o derradeiro violinista ambulante de Galicia. O pasado ano a Central Folque propúxose recuperar a figura do Cego dos Vilares, a través do Proxecto Florencio, formado por 14 músicos novos baixo a dirección musical do zanfonista Germán Díaz, que durante meses se dedicaron a reinterpretar os temas de Florencio López, como O cantar do arrieiro, A Filla de Bartolo, O Testamento do Gato ou o Alalá do arador, conservados nun cento de gravacións caseiras realizadas por aquelas persoas que, en Galicia e Asturias, acudían a escoitalo. Paralelamente ao proceso de traballo cara a elaboración do espectáculo, dende o Proxecto Florencio leváronse a cabo outras actividades como obradoiros divulgativos nos centros educativos da Fonsagrada sobre a figura do Cego dos Vilares ou ensaios abertos ao público no salón de actos municipal da mesma vila. Durante as sesións de traballo ao longo do curso tamén estiveron presentes profesionais de diferentes disciplinas que achegaron coñecementos teóricos sobre diferentes aspectos do repertorio de Florencio: Dorothe Schubarth (musicóloga e autora do Cancioneiro Popular Galego), Pancho Álvarez e Gutier Álvarez (violinistas), Ramom Pinheiro (historiador), Sergio de la Ossa (musicólogo especilista en análise musical). O Proxecto Florencio leva meses traballando nos temas de Florencio López, conservados nun cento de gravacións caseiras realizadas por aquelas persoas que, en Galicia e Asturias, acudían a escoitalo O derradeiro concerto desta formación, que xa actuou na Fonsagrada, terá lugar este xoves no Museo Provincial de Lugo a partir das oito e media da tarde, coa presentación de Celso Sanmartín, e nel empregaranse os instrumentos que habitualmente tocaban os músicos cegos, como a zanfoña, o acordeón e o propio piano. Os músicos cegos foron moi habituais en toda Europa até mediados do século XX. Normalmente ían acompañados dunha persoa que os guiaba, en moitas ocasións un rapaz de curta idade, quen acompañaba con algún instrumento de percusión ou se dedicaba a vender os pregos de papel que gardaban escritas as letras dos chamados Romances de Cego.