ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_29408 | O Goberno español investiu na Galiza apenas un de cada tres euros dos 1.033 millóns orzados para este ano no país. Son datos do propio Ministerio de Facenda e referidos ao primeiro semestre do exercicio. Un nivel de execución que contrasta co de territorios como Madrid, onde se investiu máis de 52% do presupostado. | A fotografía do orzamento que o Estado aproba en materia de investimentos para a Galiza adoita ser moi diferente á execución dos mesmos que finalmente se fai. O grao de execución do Goberno estatal nos diferentes territorios dos investimentos e compromisos fixados nos Orzamentos Xerais de 2022 pode cuantificarse, tomando o pulso así ao nivel de compromiso no cumprimento das partidas presupostadas. Na Galiza, ese nivel de execución sitúase en 28,4% no semestre, menos de un euro de cada tres orzados para o país. É un grao de cumprimento que fica lonxe dos dous territorios que presentan un maior volume executado das contas do Estado neses seis meses. Un é Nafarroa, 61%, e outro é Madrid, con 55,4%. De feito, hai nove territorios onde os orzamentos do Estado español presentan mellor nivel de cumprimento que no que respecta á Galiza. O Estado deixou sen investir na Galiza 2.823 millóns orzados entre 2015 e 2021 Para alén das mencionadas Nafarroa e Madrid, están Illes Balears (42%), Aragón, Castela-A Mancha, Estremadura, Castela e León, A Rioxa ou Euskadi. Ningún destes seis últimos baixa de 30% do orzamento estatal xa investido. 293 millóns dun total de 1.033 millóns Na Galiza executáronse menos de 300 millóns de euros —en concreto, 293 millóns— dos 1.033 millóns que o Estado comprometeu para 2022. O investimento per cápita na Galiza neste período foi, pois, de 108 euros por habitante. Unha repartición que, tamén, fica por baixo da dos territorios como Castela e León (128 euros por habitante), Aragón (125) ou Estremadura (121 euros per cápita), entre outras. Un dos campos onde menor foi a porcentaxe de gasto neste primeiro semestre na Galiza foi en materia ferroviaria, onde se situou por baixo de 20%, en 19%. Esta baixa execución, porén, non é de sorprender á vista de que Renfe e Adif recoñecen que executarán este ano só 42% do investimento orzado para a Galiza. Pola contra, en territorios como Madrid (103%) ou A Rioxa (138%) esas previsións son que se invista máis do que estaba orzado inicialmente nas contas xerais do Estado. O Informe da Distribución territorial do investimento do Sector Público Estatal que elabora anualmente o Ministerio de Facenda sinala que no que respecta a 2021, tanto Adif como Renfe incumpriron. Dos 146 millóns de euros previstos pola primeira para a Galiza só se executaron 51 millóns (34%); mentres que dos 22,5 millóns que Renfe ía investir, finalmente só o fixo con 9,8 millóns (43%). Renfe e Adif executarán este ano só 42% do investimento orzado para Galiza Unha constante O economista Xosé Díaz, no estudo A execución dos investimentos na Galiza, analiza como o Estado deixou de investir na Galiza, entre 2015 e 2021, 2.823 millóns de euros. Este baixo grao de execución contrasta coas cifras referidas a Madrid, onde o investimento final supera, tradicionalmente, o previsto. Sen ir máis lonxe, en 2021, o Sector Público Empresarial e a Administración do Estado prevían un investimento en Madrid de 961 millóns de euros, acadando, finalmente, 1.643 millóns. "Abuso" de gasto imprevisto nas contas da Xunta A Xunta da Galiza pon os informes do Consello de Contas como exemplo do seu grao de cumprimento e execución dos orzamentos. No de 2021, sinalara o Goberno galego, fora de 95%, se ben o que ficaba sen executar (por volta de 150 millóns de euros) correspondía a unha partida tan importante como a da Consellaría de Traballo. Porén, o organismo fiscalizador deu nestes anos varios "toques" de atención ao Executivo galego, afeando á Xunta da Galiza o uso "inadecuado" dos presupostos. Criticaba, así, que "de forma sistemática" transferise créditos imprevistos a outros gastos "eludindo os límites fixados normativamente", ou que "persistise no uso inadecuado" do programa orzamentario de imprevistos malia ser os gatos citados, "previsíbeis". |
PRAZA_10493 | Leiceaga, Sánchez e Pontón asinan a petición de comparecencia na que reclaman que o conselleiro de Industria, Francisco Conde, "valore as posibles implicacións de Pemex en casos de corrupción e a súa repercusión na industria galega". Un dos ex-directivos acusados de suborno e branqueo e considerado "prófugo da xustiza" foi clave nos contactos de Pemex co Goberno galego | O ex-director xeral de Pemex, Emilio Lozoya, está formalmente inhabilitado durante 10 anos para ocupar calquera cargo público e as autoridades mexicanas considérano abertamente como "prófugo da xustiza". Sobre el pesan acusacións de presuntos delitos como suborno e branqueamento de capitais; atribúenlle a recepción de cartos no caso Odebrecht, considerada a maior trama de corrupción descuberta na historia recente de América Latina, e fano responsable de impulsar que Pemex mercase outras empresas do sector dos fertilizantes con abondosos sobrecustos.Leiceaga, Sánchez e Pontón asinan a petición de comparecencia na que reclaman que o conselleiro de Industria, Francisco Conde, "valore as posibles implicacións de Pemex en casos de corrupción e a súa repercusión na industria galega"Xunto a Lozoya, as novas autoridades mexicanas tamén sinalan, cando menos, como responsables de prácticas empresariais presuntamente corruptas a outros dous ex-directivos: Carlos Roa e José Manuel Carrera Panizzo, quen foran membros do consello do estaleiro vigués Barreras despois de que Pemex se fixese coa maioría do seu accionariado para, entre outros fins, "transferir" á compañía estatal a tecnoloxía desenvolvida en Galicia. Lozoya, Roa e Carrera Panizzo foron personaxes clave nos negocios de Pemex en Galicia que apadriñou a Xunta e por iso a oposición galega reclama explicacións "urxentes" no Parlamento.Nunha solicitude de comparecencia asinada conxuntamente por Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG), Antón Sánchez (voceiro do agora terceiro grupo da Cámara, provisionalmente aínda denominado En Marea) e Ana Pontón (BNG) as tres forzas reclaman, concretamente, unha comparecencia urxente do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Trátase, explican na petición rexistrada o pasado día 27, de que "valore as posibles implicacións de Pemex en casos de corrupción e a súa repercusión na industria galega". Non en van, lembran estas formacións, o propio presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, apuntou á necesidade de "revisar contratos con estaleiros españois", en implícita referencia a Navantia e Barreras.Conde, primeiro como un dos asesores máis próximos a Alberto Núñez Feijóo e despois como conselleiro, foi xunto ao propio presidente un dos dirixentes galegos máis implicados nos contactos con Pemex, sobre os que o titular da Xunta chegara a prometer milleiros de empregos e decenas de buques e proxectos industriais, aínda que en realidade os principais resultados tanxibles foi a construción de dous barcos -un en Navantia e outro en Barreras- e a devandita compra de accións do estaleiro vigués. Por iso a oposición galega considera que as primeiras explicacións deben ser as súas.Tras reunirse con directivos agora sinalados por México por presunta corrupción, Feijóo dera por seguras as promesas de diversos encargos "aos estaleiros galegos" e apostara por "incorporar" a Galicia ao "sector do petróleo tomando como referencia a Pemex como o noso aliado estratéxico"Conde acompañou a Feijóo, por exemplo, na viaxe a México durante a que en marzo de 2014 o presidente asegurou tras reunirse con Lozoya e en compaña de Carrera Panizzo que viña de "profundar no compromiso de construción naval entre Pemex e os estaleiros galegos" e de "abrir a posibilidade de novas contratacións". Nesta liña, durante unha visita a unha plataforma petrolífera da empresa estatal mexicana, Feijóo asegurara ser "certamente optimista" porque "o mundo do petróleo é todo un sector económico dunha enorme importancia no mundo" e "Galicia ten que estar aí, temos que incorporarnos e temos que buscar o noso oco no sector do petróleo tomando como referencia a Pemex como o noso aliado estratéxico", dixera nun anuncio que non chegara a concretarse.A Audiencia Nacional vén de decretar a liberdade baixo fianza dun millón de euros dun dos empresarios acusados de estaren implicados nos subornos dos que é acusado LozoyaMentres os casos de presunta corrupción en Pemex chegan á política galega, o seu percorrido xudicial continúa. Un dos últimos pasos ten como protagonista a Alonso Ancira, ex-propietario da empresa Altos Hornos de México (AHMSA), detido en Palma de Mallorca a finais de maio por orde de México no mesmo día en que era ordenado o arresto de Lozoya e as súas contas bancarias, conxeladas. As pescudas de México consideran a Ancira clave nos subornos da construtora brasileira Odebrecht a políticos mexicanos, xa que Altos Hornos era propietaria dunha das plantas de fertilizantes mercadas por Pemex con supostos sobrecustos seguindo ordes de Lozoya.Como confirmou o xornal mexicano El Universal, a Fiscalía Xeral da República de México ratifica que a Audiencia Nacional de España decidiu deixar a Ancira en liberdade baixo fianza dun millón de euros, o que non implica que se interrompa o proceso de extradición ao país centroamericano. Este procedemento segue "o seu curso normal", di o Ministerio Público mexicano, que o acusa de presuntos delitos de fraude fiscal e corrupción pola devandita venda dunha planta de fertilizantes a Pemex cun sobreprezo estimado duns 500 millóns de pesos -uns 23 millóns de euros-. No marco desa operación os investigadores detectaron transferencias de Altos Hornos a empresas ubicadas en paraísos fiscais vinculadas a Odebrecht e a Lozoya, detalla o mesmo xornal. |
NOS_16099 | O cantante madrileño participou nun acto da Assemblea Nacional Catalana (ANC) en Cornellà,onde defendeu o dereito dos e das catalás a decidir o seu futuro. E criticou a posición da prensa española a respeito de Catalunya e o seu proceso soberanista | O cantante madrileño e exdirectivo da SGAE Ramoncín vén de participar nun acto da Assemblea Nacional Catalana (ANC) en Cornellà. Se a súa presenza nun evento organizado polo soberanismo catalá podía causar sorpresa e perplexidade, as súas declaracións aínda máis: Ramoncín non só se manifestou a favor do dereito dos e das catalás a decidir o seu futuro, senón que mesmo afirmou, nunha entrevista a Vilaweb, que de vivir en Catalunya posibelmente optase pola independencia. "Pero como vai decidir un señor de Peñaranda de Bracamonte como teñen que vivir os cataláns? É de parvos" O noutrora Rey del Pollo frito tamén criticou o "interese" de medios de comunicación españois en abortar o proceso de consulta ao pobo catalá e sinalou que tamén hai unha ampla parte da sociedade española que non se opón á consulta soberanista, mais que "opta polo silencio" fronte aos exabruptos dos sectores máis cavernarios. Ramoncín tamén expresou a súa opinión de que Rajoy debería dimitir após o escándalo destapado por El País sobre pagamentos |
NOS_29205 | Este domingo, Día da clase obreira galega a Confederación Intersindical Galega convoca mobilizacións comarcais para exixiren "o dereito ao emprego digno, á negociación colectiva e á soberanía nacional". Horas e lugares no interior. | Traballadoras e traballadores de todo o país está chamados a se mobilizaren co gallo do 10 de marzo, Día da clase obreira galega. Nesta data, en que se conmemora o asasinato a mans da policía franquista de dous sindicalistas de Ferrol, Amador Rei e Daniel Niebla, durante unha manifestación nos estaleiros de Bazán a central sindical nacionalista convoca á clase traballadora galega e ás maiorías sociais a se manifestaren en prol dos seus dereitos nun momento en que a taxa de desemprego rolda o 22% na Galiza. Neste senso, o dereito á negociación colectiva, ao emprego digno e á saída nacional centrarán as reivindicacións da central sindical. Horas e lugares das mobilizacións Ferrol: 12:30 horas, Avenida do Esteiro (local da CIG). Vigo: 11:30 horas, Cruce de Lepanto con Gran Vía. A Coruña: 12:00 horas, Praza de Vigo. Compostela: 12:30 horas, Praza Roxa. Lugo: 11:30 horas, Ronda da Muralla (local da CIG). Ourense: 12:00 horas, Pavillón dos Remedios Pontevedra: 12:00 horas, Praza da Peregrina. |
NOS_21550 | Inicialmente será unha réplica cos nomes das 52 persoas asasinadas pola represión na comarca do Deza. O Concello realizará os trámites para traer a orixinal. | O novo goberno municipal de Lalín decidiu homenaxear as vítimas do franquismo con unha réplica da placa instalada en 1954 nos locais da Federación de Sociedades Galegas en Bos Aires , segundo fontes do concello recollidas por Europa Press. Na placa, realizada pola 'Sociedade Unión del Partido de Lalín', aparecen tallados os nomes das 52 persoas asasinadas polo franquismo na comarca do Deza. Aínda que polo momento será unha réplica, o goberno municipal prevé iniciar os trámites, co resto de municipios da comarca, para negociar a colocación da placa orixinal. |
NOS_32306 | Un artigo do escritor Francisco Castro publicado na sección de opinión de Sermos Galiza foi motivo do exame de Selectividade na convocatoria de setembro na materia de Lingua e Literatura galega. | "É unha trola iso de que o pobo máis informado é o pobo máis libre" é o título do artigo de Francisco Castro publicado na sección dixital de Sermos Galiza que tivo que analizar o alumnado que se presentaba nesta convocatoria de setembro ao exame de Selectividade. No seu texto, o escritor cuestiona o espellismo da información producido polas redes sociais. "Non podo evitar ter a sensación de que a meirande parte da cidadanía vive (e paradoxo dos paradoxos, tamén moitos dos usuarios de todos estes medios telemáticos) na máis completa e absoluta desinformación" di no artigo. Escritor e presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Galix), Francisco Castro comezou a publicar cando o século iniciaba a súa andaina e entre os seus títulos atópanse "Xeografías", "Spam" -premio Blanco Amor-, "As palabras da néboa" -premio García Barros-, "O ceo dos afogados" -premio Frei Martín Sarmiento-, "O segredo de Marco Polo" ou "Chamádeme Simbad". Cada sábado, os artigos de Francisco Castro chegan como unha cita puntual á sección de Opinión de Sermos Galiza, na que colabora desde o inicio do xornal dixital. |
NOS_18370 | A poeta Luz Fandiño (Compostela, 1931) e Manuel Pazos (Muxía, 1926), máis coñecido como Pazos de Merexo, son os Mestres da Memoria 2018. A distinción, outorgada pola sección de literatura de tradición oral da AELG, recoñece o labor de "informantes de literatura popular". | "Toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional", sinalan desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) como méritos precisos para se facer co galardón. Que xuntan, máis ca sobradamente, Fandiño e Pazos. Foi este sábado, 26 de maio, no vello cárcere de Lugo, cando a AELG lles rendeu homenaxe. Nun acto conducido por Antonio Reigosa e no que participaron tamén Cesáreo Sánchez Iglesias -presidente da AELG- e a escritora Marica Campo, o poeta Lois Pérez encargouse da laudatio a Luz Fandiño. Reigosa fixo o propio con Pazos de Merexo. "O principal valor dunha sociedade constitúeno as persoas, os tesouros humanos vivos, homes e mulleres que estiveron atentos para recibir dos seus predecesores a herdanza cultural, que logo reciclan e recrean, e que adaptan e actualizan con xenerosidade", afirman desde a sección de literatura oral da AELG, "para transmitir todos eses saberes herdados aos que veñen detrás". O Concello e mais a Deputación de Lugo apoian a iniciativa coa que a AELG "pretende facer máis visíbel ante a sociedade a literatura de tradición oral". A Gala dos Premios Mestres da Memoria transcorreu baixo o lema Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral. |
NOS_4246 | "Funes, o inventor da lúa" dirixida por Enrique Otero preestréase esta quinta feira en Cineuropa. Narra a historia de Uxío Funes, un galego da comarca de Quiroga que cumpriu o soño de traballar na Nasa. | Con "Funes, o inventor da lúa", o director Enrique Otero recupera a mítica da figura dos inventores, eses seres con imaxinación ampla, capaces de crear cousas insólitas e que, sen que os estudos científicos sexan condición, son quen de adiantarse ao seu tempo como un aventureiro que se adentra en terras descoñecidas. Desa materia está feito Uxío Funes, o protagonista do novo documental asinado polo director Enrique Otero, autor do filme Crebinsky. Natural da comarca de Quiroga onde naceu a comezos do século XX, malia a súa orixe rural, a ciencia e a física eran as teimas de Uxío Funes, o galego que deixou todo para conseguir o seu soño que era traballar na Nasa. Alí inventou o "retilador", o seu soño e un grande logro que, desde a produción do documental indican como o que "fixo que o Proxecto Apollo fose un éxito". Sen inventiva para negocios Con guión do propio Enrique Otero e Carlos Santiago e produción de Pulsa Control Z, "Funes, o inventor da lúa" introduce gravacións dos anos sesenta en Estados Unidos, recreacións dos inventos, entrevistas con familiares ou imaxes da NASA co fin de recrear o universo do galego que desde a súa orixe soñaba cos inventos que o aproximaban á lúa. O director Enrique Otero buscaba unha historia con forza para o seu documental e atopouna na mítica dos inventores e na figura de Uxío Funes, a quen definen como home imaxinativo, creador e talentoso máis sen moita man esquerda para os negocios. O inventor rematou os seus días de volta ao país e vivindo nunha caravana. |
PRAZA_6384 | Os xerifaltes do PP, posuídos de súpeto por unha incurable febre democrática, atragoaríanse sen remedio se tivesen que engulir o xarope de someter á elección da militancia de base os candidatos do seu partido | "Não sabia por caminho tomar/ Mas o vento soprava forte, varria para um lado,/ E segui o caminho para onde o vento me soprava nas costas". (Poemas inconjuntos, Alberto Caeiro). O Dicionario da Academia Galega define ao pillabán coma "aquel que actúa con astucia e malicia". Acontece que, ao fronte do goberno do Estado, campa un deses, un pillaban, que unhas veces porfía para defender o indefendible, e outras actúa talmente coma un zamurgo que agocha as súas intencións, mentres fai soprar o vento para onde lle convén. A propósito da caprichosa reforma da lei electoral que pretende o señor Rajoy –e que tanto afouta ao señor Feijoo- para acoplar a elección dos alcaldes á súa comenencia, resulta que os próceres da Unión Europea non bendicen as artimañas destes paladíns da democracia, para mudar as regras de xogo, sen o consenso dos implicados, cando está a piques de celebrarse un proceso electoral. Resulta que os reis da transparencia esquécense de explicarnos que, case 9 de cada 10 concellos, teñen un alcalde con maioría absoluta na corporación e, no 90 por cento das cidades, goberna a lista máis votada, aplicando o sistema que pretenden tumbar. Resulta, en fin, que os xerifaltes do PP, posuídos de súpeto por unha incurable febre democrática, atragoaríanse sen remedio se tivesen que engulir o xarope de someter á elección da militancia de base os candidatos do seu partido. Os xerifaltes do PP, posuídos de súpeto por unha incurable febre democrática, atragoaríanse sen remedio se tivesen que engulir o xarope de someter á elección da militancia de base os candidatos do seu partido Malia este déficit democrático que acaba de detectar o noso insigne Presidente, resulta que ninguén demanda tal reforma, agás aqueles que -agora si- ven perigar a maioría absoluta que os sustiña e -agora coma sempre- saben que a cousa vai estar fodida porque ninguén está disposto a pactar con eles. Resulta que o señor Feijoo non quere que o seu partido teña alcalde onde non gañe. Mais o pillabán debería explicarnos que a zorra non apaña as uvas, non por non lle apeteceren, senón porque seica están verdes. Vaia!, algo debe ter o PP para que ninguén queira tratos poselectorais con eles. Resulta que, no Estado español, o presidente do Goberno, os presidentes autonómicos, os presidentes das deputacións, os presidentes dos consorcios, os presidentes das mancomunidades, son –e seguirán sendo- elixidos mediante votación dos representantes que decidiron, co seu voto, os cidadáns e –ata agora- a eleccións dos alcaldes tamén era cousa dos concelleiros, que gozaban desa atribución. Ah! O iluso do meu tío Lisardo coida que deberiamos aproveitar a euforia de Rajoy pola rexeneración democrática e animalo a que, mentres o carneiro perde o tempo mirando cara a ovella, mude tamén o que haxa que mudar, para elixir directamente ao xefe do Estado. Iso si, se fose posible, sen discriminar aos candidatos por razóns de sexo ou da cor da sangue. Que pándego é o meu tío Lisardo! |
NOS_47737 | Os incendios forestais na Galiza deixan unha fin de semana negra que se saldou co tráxico falecemento dun dos pilotos que estaba a traballabar na extinción dun lume en Lobios, após sufrir un accidente co hidroavión no que traballaba. | Durante o incendio forestal rexistrado en Lobios o pasado sábado, un hidroavión que realizaba labores de extinción resultou sinistrado causando a morte dun dos pilotos, segundo informou a Consellaría do Medio Rural. O outro piloto sofre varios politraumatismos e foi evacuado a un hospital de Portugal en helicóptero. O accidente produciuse cunha aeronave CL-2015 da empresa civil Babcock, con sede en Matacán, Salamanca, á que o Goberno de Portugal ten alugados tres avións —dous operativos e un en reserva— en operados por Protección Civil no aeroporto de Castelo Branco. O lume no que o hidroavión prestaba labores de extinción e que afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés rexistrouse en Lobios ás 8 horas da mañá do sábado procedente de Portugal. O incendo, que continúa activo, arrasou nesa zona máis de 350 ha, segundo estimacións da Consellaría de Medio Rural publicadas na mañá do domingo. Yolanda Díaz e Ana Pontón solicitaron que se "investiguen" as causas do accidente laboral Após coñecerse o tráxico falecemento dun dos traballadores do lume durante a súa xornada laboral, foron varios as e os representantes políticos que manifestaron á familia do falecido as súas condolencias. Entre eles, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, trasladou o seu sentido pésame a través da súa conta de Twitter. "Todo o meu agarimo para as familias das vítimas e o recoñecemento de todo o Goberno aos equipos que loitan contra os incendios forestais", publicou Sánchez. O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feixoo, trasladou o seu pésame á familia do piloto de orixe portuguesa: "Sigo con preocupación a evolución do ocupante ferido no accidente do hidroavión en Lobios, esperando a súa recuperación. O meu agarimo para a familia do tripulante que tristemente faleceu no sinistro", sinalaba nunha mensaxe na mesma rede social. Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, manifestou o seu sentido pesar e pediu unha investigación sobre as causas do accidente. A través de varias mensaxes na súa conta de Twitter, Pontón afirmou que o sábado foi "un día de loito para Galiza" e manifestou o seu "sentido pesar" e o da formación que lidera á familia e amizades do falecido, así como "a todo o persoal de extinción". Tamén a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, asegurou que se deben esclarecer as causas do accidente deste hidroavión portugués que traballaba nos labores de extinción. Nunha mensaxe publicada no seu perfil de Twitter, a ministra destacou que, "cada verán, nos terríbeis incendios que devoran os montes, as persoas de servizos de extinción xóganse a vida". "Hoxe lamentamos un accidente en Lobios. Traslado todo o meu agarimo á familia do traballador falecido e esperamos pronta recuperación do traballador ferido", sinala a ministra, que subliña que a seguridade no traballo debe de ser "unha condición indispensábel en todas as contornas laborais". Os técnicos de incendios, en folga por falta de persoal Xabier Bruna, membro da CIG, manifestou durante a xornada de onte nun acto en recoñecemento aos tripulantes do avión sinistrado, que levan 27 meses intentando atopar unha solución e que o que reclaman "entronca coas cuestións de seguridade" e cun aumento de persoal para facer fronte á carga de traballo que teñen mais estabelecer un operativo "máis profesionalizado". O conxunto de técnicos, que suman arredor de 120 persoas, encárgase de coordinar os medios de extinción e tamén de tarefas de xestión forestal, explicou. O 15% do territorio galego, ao redor dunhas 300.000 hectáreas, que son "algo menos" das que ocupa a provincia de Pontevedra, xestiónanse a través de contratos da Administración, que non é propietaria, pero administra os terreos. A protesta que tiñan convocada para este domingo, cando se cumpren oito días da súa folga indefinida, converteuse nun acto de "recoñecemento e condolencias" polo accidente dun hidroavión que participaba onte nos labores de extinción do incendio de Lobios e que provocou a morte dun dos tripulantes e feridas ao outro. Suman 30 investigados e detencións por incendios As forzas e corpos de seguridade do Estado levan, no que vai de ano, un total de 30 investigacións e detencións por incendios forestais na Galiza, a maior parte delas na comarca de Ourense, que acumula 16, informou este domingo a Delegación do Goberno. A través dun comunicado, expuxo que na área de Lugo se fixeron sete investigacións e detencións, mentres que foron catro na da Coruña e tres na de Pontevedra, até o momento. O peor mes, de acordo con estes datos, foi o de xullo, con doce persoas implicadas (catro na Coruña e Ourense, tres na área de Lugo e unha na de Pontevedra), catro máis que en xuño. En maio houbo dúas persoas investigadas ou detidas, ambas as dúas na comarca de Ourense; en abril foi unha, en Lugo; en marzo rexistráronse cinco (catro en Ourense e unha en Lugo); e en febreiro, dúas (só na área de Ourense). O ano pasado a estas alturas había 45 persoas detidas ou investigadas pola súa relación con incendios forestais na Galiza, agregou a mesma fonte. A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López- Riboo, cualificou de "moi preocupantes" estes datos e chamou á colaboración cidadá: "Cando alguén vexa un imprudente ou un incendiario, que avise á Garda Civil ou a Policía, que denuncie". Ademais, pediu "extremar as precaucións no monte, en especial nesta época de calor extrema e de escaseza de choivas" e reafirmou a "vontade total" do Goberno e estatal para "acabar co lume nos montes". López-Rioboo fixo un recoñecemento ao "esforzo" realizado para combater os incendios forestais e destacou que os corpos e forzas de seguridade seguirán co seu labor de vixilancia e prevención e investigarán os incendios. Máis de 12.500 ha de monte queimadas en cinco anos Segundo os datos recompilados pola A Sociedade Galega de Historia Natural e publicados en Nós Diario, nos últimos días sobre a incidencia do lume no sueste ourensán, desde 2015 arderon máis de 12.500 hectáreas. A partir das imaxes do satélite Copérnico, esta asociación dedicada ao estudo, divulgación, conservación e defensa do medio natural constatou, ademais, que dúas das zonas queimadas hai menos de tres anos volveron arder estes días, e que no último lustro houbo sete grandes incendios, de máis de 500 hectáreas cada un. "A fotografía aérea da última década é aínda máis pavorosa", avanza Serafín González, quen critica o gasto "que non investimento" do orzamento anual de máis de 170 millóns de euros do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais da Galiza (Pladiga). Evitar que os lumes se repitan de forma cíclica, di, exixe reverter a estrutura do territorio. "O abandono dos usos múltiples do monte simplifica a paisaxe", cada vez máis homoxénea, sen rastro dun mosaico de bosque e cultivos, diverso e habitado, con menor risco de incendios. Cambio de estratexia na loita contra o lume Alén das condicións meteorolóxicas propicias e ausencia de precipitacións, a demora nos labores de limpeza de biomasa por mor da Covid-19 favorece a expansión de incendios nestes meses. O maior incendio da Galiza no que vai de ano arrasou 1.535 hectáreas de monte nos concellos de Cualedro e Monterrei, na comarca de Verín. Converteuse, ademais, no maior lume forestal desde a vaga de incendios de outubro de 2017. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) solicitou á Xunta que mudase a súa estratexia na loita contra os incendios forestais, xa que urxe, segundo indicaron, unha "abordaxe sociolóxica, demográfica e económica do problema". |
PRAZA_16707 | A vixencia do artigo 155 na Generalitat supera os cinco meses á espera de Govern tras o cesamento de 260 cargos e o freo a iniciativas políticas por falta de liderado. A falta dun goberno impide evitar recortes en TV3, causa problemas na aplicación da renda mínima ou apunta o modelo escolar. | "Proceder ao cesamento do presidente da Generalitat, do vicepresidente e dos conselleiros que integran o Consello de Goberno da Generalitat de Catalunya". Con estas palabras, o presidente Mariano Rajoy anunciou a aplicación do artigo 155 da Constitución por primeira vez en España, unha medida que aprobou o Senado o 27 de outubro de 2017 en resposta á declaración unilateral de independencia do Parlament. Cinco meses despois, pasados concretamente 155 días neste 30 de marzo, e celebradas unhas eleccións en Catalunya, a intervención da Generalitat mantense á espera de que se forme un novo Govern. Supervisada polo Goberno, que se outorgou as súas competencias, a maquinaria administrativa catalá segue funcionando, pero varias iniciativas políticas quedaron paralizadas, como o Pacto Nacional pola Universidade, ou atrasadas, como as medidas contra a segregación escolar. "A xestión ordinaria viuse pouco afectada, pero algúns cartafoles abertos polos consellers quedaron case un curso sen abordar", resume un alto cargo da Generalitat. O departamento de Ensenyament é un bo exemplo de como a intervención do Govern afectou a dinámica da Generalitat. En cinco meses, ningún dos trámites administrativos habituais foi condicionado polo 155: convocáronse as 2.000 prazas de oposicións previstas, renováronse os concertos educativos que vencían este curso (incluídos os do Opus, aínda que JxCat, ERC e a CUP pactaran o contrario) e en breve está previsto que se aprobe a resolución anual na que constan todos os detalles da preinscrición escolar. No ensino, ningún trámite habitual foi condicionado polo 155 pero si que se paralizaron acordos como o pacto contra a segregación escolar ou pola Universidade Con todo, esta consellería si viu como algunhas medidas quedaban paralizadas por falta de liderado político. Sucedeu co pacto contra a segregación escolar, anunciado pola consellera Clara Ponsatí e o Síndic de Greuges e que debía conducir a un cambio do decreto de preinscricións do curso 2018-2019, con compromisos como o de distribuír o alumnado con dificultades entre todos os centros, públicos e concertados, por igual. As modificacións deberán esperar ao curso seguinte, aínda que fontes de Ensino sosteñen que si se traballou a nivel técnico para avanzar na preparación de ditas medidas. Algo parecido ocorreu tamén na Secretaría de Universidades. As bolsas concédense ao ritmo habitual e xa se están preparando as probas de Selectividade. Pero a iniciativa estrela deste curso, o Pacto Nacional pola Universidade, que reunía por primeira vez na historia a estudantes, reitores, empresas e administración ao redor dunha mesa para abordar o prezo das matrículas ou o financiamento, quedou totalmente parado. Tras unha primeira sesión en setembro, debía reunirse en novembro e febreiro. Non sucedeu. A ameaza sobre a inmersión lingüística Antes de que acabe abril, haxa ou non novo Govern, a Administración catalá deberá aprobar a resolución das preinscricións escolares na que se inclúe o formulario que deben encher as familias. Que o faga o Ministerio de Educación ou o novo conseller non é unha diferenza menor, posto que o primeiro asegurou que quería garantir que os pais puidesen escoller o castelán como lingua vehicular, algo que suporía o desmantelamento de facto do modelo de inmersión. En abril debe aprobarse a resolución das preinscricións escolares, que podería desmantelar o modelo de inmersión de levalo a cabo o Ministerio Con todo, poucos dentro do departamento de Ensino esperan xa que se acabe consumando a ameaza, máis aínda que se materialice coa introdución do cadriño do castelán no formulario. O ministro Íñigo Méndez de Vigo tivo que recoñecer que non podía empregar ningunha medida que fora conra a Lei catalá de Educación que impide separar os alumnos por lingua. Para os funcionarios contrarios á aplicación do 155, agrupados en torno ao colectivo Servidors.cat, a Generalitat "non funciona con normalidade", senón que o fai "vixiada", "ao ralentí" e "cun nivel de actividade inferior ao habitual". En ata tres informes que entregaron ao president do Parlament, Roger Torrent, fan inventario das consecuencias da intervención da Administración, desde o cesamento de cargos e despedimento de persoal ata o freo a políticas públicas. A aplicación do 155 supuxo o cesamento de 260 cargos eventuais da Generalitat Sen dúbida as medidas máis drásticas asociadas ao 155 foron as que se tomaron no momento da súa aplicación: supresión do Govern, disolución do Parlament e cesamento de centos de cargos eventuais. A vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría cifrou en 260 o número de cesamentos. Entre eles, ademais de Puigdemont e os seus consellers, destaca a cúpula de Presidencia ou a última vítima do 155, Antoni Molons, ata agora secretario de Difusión da Generalitat que está a ser investigado polo financiamento do referendo do 1-O. Tamén a destitución de Josep Lluís Trapero como major dos Mossos d'Esquadra. O Goberno central aproveitou tamén o 155 para pór fin á actividade da Generalitat no exterior, argumentando que a súa finalidade era promover o proceso independentista no estranxeiro. O Ministerio de Exteriores procedeu deste xeito a clausurar oito delegacións exteriores da Generalitat (só se salvou a que mantén aberta en Bruxelas), e a despedir tanto aos delegados, de perfil máis político, como á vintena de traballadores e técnicos. "Sabedes como se chama agora o Diplocat?", presumiu a vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría en referencia ao Consello da Diplomacia catalán do que dependían as delegacións. "Chámase Diplocat en liquidació", bromeou, na mesma comparecencia na que presumiu de ter "descabezado" o independentismo. O Goberno central aproveitou o 155 para pór fin á actividade da Generalitat no exterior No sentido contrario, durante este período realizáronse tamén varios nomeamentos na Generalitat, aínda que a maioría deles sen transcendencia política. O máis relevante foi o de Juan Antonio Puigserver, secretario xeral técnico do Ministerio do Interior, nomeado responsable de Interior en Catalunya e tamén da área electoral para o 21D. Isto último converteuno na cara visible do Goberno á hora de dar conta do transcurso da xornada electoral. Palau da Generalitat, en Barcelona / © Ajuntament de Barcelona Efectos colaterais: de TV3 á renda mínima A vixencia do 155 provocou quebradizos de cabeza na Generalitat non só polo que supón a intervención da Administración, senón tamén porque a ausencia do Executivo impediu tomar medidas para liquidar conflitos abertos como o orzamentario en TV3 ou o da aplicación da nova renda mínima. Na Corporación Catalá de Medios Audiovisuais (CCMA) están a desexar que se forme Govern para poder solucionar o problema orzamentario que lles obrigou a recortar parte da grella televisiva de TV3. Como todas as televisións autonómicas, TV3 debe asumir este 2018 a un aumento do gasto polas modificacións no cobro do IVE, pero no seu caso non pode recorrer a unha ampliación orzamentaria para emendalo, porque non hai Govern efectivo que o poida aprobar. A ausencia de Govern pasou factura á implementación da renda mínima garantida para as familias en risco de exclusión De forma similar, a ausencia de Govern pasou factura á implementación da renda mínima garantida para as familias en risco de exclusión. O 155 non impediu que se empecen a outorgar estas axudas, pero si imposibilitou a aprobación do regulamento que desprega a lei aprobada o pasado mes de xullo, algo que levou aos técnicos do departamento de Traballo, Asuntos Sociais e Familia a ter que tomar algunhas decisións "sobre a marcha e sen un criterio claro", segundo admiten fontes do departamento. Tampouco permitiu a creación da comisión coas entidades sociais que debe supervisar a correcta aplicación da renda, algo que ha contrariado ás asociacións. A intervención de Facenda segue condicionando Preguntados polas consecuencias da intervención da Generalitat, moitos funcionarios responden que aumentou o volume de burocracia, aínda que isto débese no seu maior parte non ao 155, senón á intervención das contas de Administración por parte de Facenda, unha medida que está en vigor desde o 20 de setembro. O obxectivo do ministro Cristóbal Montoro era evitar que a Generalitat destinase nin un só euro á organización do referendo do 1-O, pero continuou despois e non hai ningún compromiso de que sexa levantado tras a formación do Govern. O procedemento para realizar transferencias segue sendo o de "enviar un certificado ao Ministerio xustificando que ese diñeiro non vai dirixido a actividades ilegais" O peche das contas da Generalitat afectou absolutamente a todos os organismos que dela dependen, desde as universidades ata os hospitais, pasando por múltiples consorcios, fundacións ou institutos de investigación científica. Estes últimos foron os máis belixerantes á hora de denunciar que a medida lles obriga a xustificar ante o Ministerio todos os pagos que efectúan, cousa que "entorpece" o seu funcionamento. Así o ve Lluís Rovira, presidente dos Centros de Investigación de Catalunya (CERCA), que constata que o procedemento para realizar transferencias segue sendo o de "enviar un certificado ao Ministerio xustificando que ese diñeiro non vai dirixido a actividades ilegais". Isto supón, segundo detalla, que un trámite que antes era inmediato agora require de varios días para ser aprobado. |
PRAZA_6025 | O paro baixa en xuño en 122.684 persoas no conxunto de España e queda nunha cifra total de 4.449.701, con 56.622 novos afiliados e afiliadas á Seguridade Social, sobre todo en hostalaría e comercio. En Galicia o paro descende en 11.134 persoas, até as 252.310. A taxa de cobertura redúcese até o 57% | O paro baixou en xuño en 122.684 persoas no conxunto de España e quedou nunha cifra total de 4.449.701. En Galicia hai 11.134 persoas menos inscritas como demandantes de emprego, un total de 252.310. É o quinto mes de caída consecutiva, e o undécimo se desestacionalizamos os datos. Foi, polo tanto un bo mes para o emprego, como é habitual ás portas do verán, pero debullando os datos atopamos as fendas. En Galicia a afiliación creceu en 6.366 persoas. A maior parte das contratacións realizáronse no sector servizos, nomeadamente en hostalaría e comercio A suba do emprego é moito máis moderada que o recorte do paro: no conxunto do Estado houbo 56.622 novos afiliados e afiliadas á Seguridade Social, polo que unha parte importante do descenso do desemprego se debe a persoas que deixaron de estar inscritas (por desánimo, por emigración) nas oficinas do Sepe. En Galicia, de igual xeito, a afiliación creceu en 6.366 persoas, cun incremento interanual de 4.651 novos inscritos. Ademais, como é norma neste mes, a maior parte das contratacións realizáronse no sector servizos, nomeadamente en hostalaría e comercio. Iso si, en xuño Galicia foi a terceira comunidade autónoma que rexistrou unha maior caída do paro, en termos relativos (un 4,23%), despois de Baleares e Cantabria. Ademais, aínda que o descenso se concentra no sector servizos (6.884 persoas), o desemprego cae tamén na construción (-1.740), na industria (-1.590), no colectivo de demandantes sen emprego anterior (-699) e mesmo na agricultura (-221), ao contrario do que sucede no sector no resto de España. Porén, a análise do tipo de contratos que se formalizan demostra que a caída do paro está sostida pola contratación estival: En xuño de 2014 rexistráronse no conxunto do Estado 110.258 contratos de traballo de carácter indefinido, case un 5% menos que en maio, o que fai que supoñan o 7,26% de todos os contratos asinados. Destes indefinidos, 47.406 foron a tempo parcial. A hostalaría é o sector que tira con máis forza (cunha creación de emprego do 2,65%), e os autónomos tamén seguen aumentando a un ritmo superior a de os asalariados, cun 2,4% anual. É dicir, as case 1,42 millóns de empresas que hai dadas de alta na Seguridade Social en España só crearon 71.420 postos de traballo asalariado. No mesmo período, 15.516 persoas tiveron que dar o paso de darse de alta como autónomos. En Galicia asináronse 74.217 contratos, dos que só 5.401 foron indefinidos. En total, só o 8,67 por cento dos contratos de traballo en Galicia teñen unha duración indefinida. Case a metade dos parados e paradas galegas rexistradas na oficinas de procura de emprego non teñen ingreso ningún Un dos datos máis preocupantes dos coñecidos hoxe ten que ver coa taxa de cobertura, a porcentaxe de persoas desempregadasque percibe algún tipo de prestación, que no conxunto do Estado caeu seis puntos no último mes, até o 57%. En Galicia só 135.597 das 252.310 persoas inscritas como demandantes de emprego reciben algún tipo de prestación, o que deixa a taxa de cobertura no 53,74%. É dicir, case a metade dos parados e paradas galegas rexistradas na oficinas de procura de emprego non teñen ingreso ningún. 60.909 deles perciben unha prestacións contributiva (cunha contía media de 797 euros mensuais), outras 61.785 ingresan unha prestación asistencial (426 euros mensuais) e 12.903 a renda activa de inserción. Reaccións sindicais Para a CIG, o descenso no número de persoas inscritas nas oficinas de búsqueda de emprego se debe, principalmente, "á estacionalidade do emprego e á emigración" Para a CIG, o descenso no número de persoas inscritas nas oficinas de búsqueda de emprego se debe, principalmente, "á estacionalidade do emprego e á emigración". E subliña que o incremento da afiliación á Seguridade Social en apenas 6400 persoas, "dato moi inferior á baixada do desemprego" indica que as paradas galegas "optan ben por non anotarse xa ás oficinas públicas ante a falta de perspectivas ben por buscar unha saída laboral lonxe do país". O sindicato nacionalista denuncia "a cada vez maior pracariedade e temporalidade do emprego, con tan só un 7,3% de altas feitas baixo algunha das modalidades de contratación indefinida". Para a CIG "a maioría das novas contratacións débense á estacionalidade, principalmente a substitución de vacacións e actividades ligadas ao período estival". UGT-Galicia fai a mesma análise, sinalando que "a mellora do desemprego está empañada pola saída de mozos e inmigrantes ante a falta de expectativas e pola temporalidade da contratación". O sindicato advirte de que "continúa o descenso da poboación activa polo efecto desánimo e que a precariedade continúa estendéndose". Por ese motivo, urxe o Executivo a que "abra un proceso de diálogo para lograr un plan de recuperación laboral que potencie o emprego, especialmente no caso dos colectivos con maiores dificultades, a formación e se estenda e garantice a protección por desemprego a todos". UGT lembra que o gasto en prestacións por desemprego "segue diminuíndo" porque cada vez hai menos gasto público en cobertura de desempregados. Así, en Galicia no mes de maio o gasto foi de 113.716.000 euros, cando hai un ano este era de 139.616.000, o que supón un descenso do 18,6 por cento. Para o secretario confederal de Emprego da CIG, Miguel Malvido, estes datos danlle a razón á CIG: "Nós xa advertimos de que as medidas que se estaban a introducir coas sucesivas reformas laborais non só non ían favorecer a creación de emprego senón que ademais provocarían o que xa está pasando: que o pouco emprego que se crea é precario". A CIG denuncia ademais que estes contratos temporais levan aparelladas "unhas condicións laborais e salariais peores, o que á súa vez provoca que haxa menor consumo e, polo tanto, que a economía siga estancada". |
NOS_54188 | Os primeiros cargamentos de carbón xa están camiño do complexo enerxético. | Endesa reactivou a primeira hora desta cuarta feira a central térmica das Pontes, ao pór en marcha un dos seus dous grupos aínda dispoñíbeis despois de tres meses sen estar en funcionamento. Segundo asegurou o director desta central, Ignacio Sáinz, "o grupo 1 xa entrou en explotación e o grupo 2 está en proceso de revisión para poder reactivalo a comezos de 2023". O Goberno do Estado aposta polo feche da central térmica das Pontes Esta decisión de reactivar a central térmica motivou que "a empresa aumentase o cadro de persoal medio da planta até levalo a unhas 60 persoas". Aliás, a compañía enerxética prorrogou os contratos dos e das profesionais auxiliares "até xuño de 2023". En canto ao carbón, Sáinz detallou que o primeiro buque con carbón almacenado no porto exterior de Ferrol está a ser trasladado por estrada cara ás Pontes e que "virán novas remesas en función do consumo dos grupos". Está prevista a chegada doutro barco con outras 160.000 toneladas de carbón de Indonesia, que aportará ao longo desta cuarta feira. A Xunta aposta agora pola térmica das Pontes e deixa a planta de Ence no ar Endesa manifestou que "ante unha situación de crise enerxética como a actual pon en explotación dúas das súas unidades de produción". Porén, a compañía matizou que a súa "estratexia non variou e mantén o seu compromiso de descarbonización para 2040 e segue apostando polas enerxías renovábeis". Feche gradual da central O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), tras recibir un informe de Rede Eléctrica de España (REE), autorizou en setembro deste ano o feche de dous dos catro grupos da central térmica das Pontes, propiedade de Endesa. O feche dos outros dous grupos autorizarase de maneira condicionada, atendendo ao reforzo de variábeis de dispoñibilidade de potencia no sistema eléctrico, informou o Ministerio. Ribera aposta polo feche da central térmica das Pontes Tras coñecerse a decisión, Endesa presentou un plan de desenvolvemento de 2.682 millóns de euros para a Galiza, que xeraría 1.361 empregos. Este plan, suxeito ás preceptivas autorizacións, expón a substitución dos 1.400 megawatts (MW) de carbón das Pontes por 1.300 MW renovábeis, incluíndo ademais o plan de desmantelamento da central, a instalación de novos proxectos industriais no emprazamento da térmica, o impulso loxístico á terminal do porto de Ferrol e un plan de formación para as persoas da contorna. Aínda que o Ministerio xa contaba cun informe de REE elaborado en 2020 para autorizar o feche dos catro grupos da central de carbón, cuns 350 MW cada un, na primavera deste ano decidiu solicitar un novo informe, á vista das tensións provocadas nos mercados enerxéticos pola situación bélica en Ucraína e a elevada exportación de electricidade provocada pola seca e a indispoñibilidade de boa parte da enerxía nuclear francesa. |
NOS_9548 | O Partido Popular da Galiza empregou as redes para trollear as organizacións nacionalistas polo denominado "Día de la Hispanidad". Logo retirou o chío en que, con presunto humor, felicitaba BNG e Anova "que hoxe se sentirán moi afortunados de pertencer a este gran país". | "Somos galegos e somos españois", comezaba a mensaxe do PP galego en twitter, en perfecto castelán, "así que feliz Día da Hispanidade a todos e en especial aos nosos compañeiros do BNG e de Anova, que hoxe se sentirán moi afortunados de pertencer a este gran país". O partido publicou o chío case ás dez da mañá e retirouno horas despois. Xusto este 12 de outubro en que a Xunta iluminou a fachada da súa sede en San Caetano cunhas fantasmagóricas proxeccións da bandeira española, Feixoo asistiu ao desfile militar en Madrid en que un paracaidista do exército español que portaba outra bandeira tropezou no seu descenso cunha farola e quedou pendurado dela. A imaxe está a dar a volta a esas mesmas redes sociais en que o PP galego intentou trollear Bloque e Anova. |
PRAZA_13106 | Laura no deserto (Galaxia) é unha novela que doe. Unha historia tan dura como real, tan valente como necesaria. O seu autor, Antón Riveiro Coello, tomou como punto de partida as memorias da militante comunista Mercedes Núñez para reflexionar sobre a culpa, a desmemoria e o silencio, o desamor e, sobre todo, a procura da identidade dunha persoa que conseguiu sobrevivir ao cárcere franquista e un campo de concentración nazi. O libro vén de ser recoñecido co Premio da Crítica á mellor novela en galego e co Premio de Narrativa da AELG. | Laura no deserto é unha novela que doe. Que deixa pegada, queiramos ou non. Unha historia tan dura como real, tan valente como necesaria. O seu autor, Antón Riveiro Coello, tomou como punto de partida as memorias da militante comunista Mercedes Núñez para reflexionar sobre a culpa, a desmemoria e o silencio, o desamor e, sobre todo, a procura da identidade dunha persoa que conseguiu sobrevivir ao cárcere franquista e un campo de concentración nazi. Arrastrando a cruel verdade do monstro que cada un de nós leva dentro. O libro, editado por Galaxia, vén de ser recoñecido co Premio da Crítica á mellor novela en galego e co Premio de Narrativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). A novela ten a súa orixe nos libros de Mercedes Núñez, pero nótase que o proceso de documentación foi máis complexo. Como realizaches ese traballo? Pois en principio pensei en contar unha historia de Mercedes, pero cando a personaxe se basea nunha persoa real, sempre estás máis limitado para facer unha novela de fición se queres ser fiel, precisamente, á realidade. O outro punto de partida é a historia de Sofía Romo, unha emigrante noiesa en Estados Unidos que sufriu amnesia e non lembraba máis que o "Galicia terra nosa" e outros temas de Los Tamara. O xermolo foi, así, a mestura das vidas das dúas, xunto ás historias de moitas outras mulleres que, como a protagonista, Laura, estiveron en campos de concentración. Sempre se fala máis dos homes, pero eu creo que as mulleres o pasaron peor, por cuestións como os abusos sexuais. Lin moitos libros, moita reportaxe e memorias de xente que estivo nos campos... "Interesábame explorar a sensación de culpa que teñen moitas das vítimas que sobreviviron. Porque para conseguilo tiveron que competir entre elas, roubar..." Interesábame explorar a sensación de culpa que teñen moitas das vítimas que sobreviviron. Porque para conseguilo tiveron que competir entre elas, roubar... Laura ten un forte sentimento de culpa por todo o que tivo que facer. Era ademais unha muller sen ataduras de ningún tipo que só quería ser libre. Pero xa só a terrible sede que lle fan pasar faille dubidar do concepto que tiña de si mesma. Ás veces pensamos que se nós viviramos experiencias coma aquelas poderiamos comportarnos como heroes, pero non é así. E o meu obxectivo era situar o lector diante dese espello, para que vise como as situación extremas sacan o peor de nós, ata o punto de deshumanizarnos totalmente. O bo da literatura que nos doe é que nos devolve unha caricatura de nós mesmos. En As rulas de Bakunin xa falaras da Guerra Civil, do cárcere, do exilio... Laura no Deserto tamén o fai, pero chega ata a Segunda Guerra Mundial e moito máis alá. En que medida esa experiencia anterior foi un apoio para este novo libro? O que pasa é que a min gústame abranguer, nas miñas novelas, períodos moi longos. E se falo de varias xeracións que viven no século XX, teño que abordar feitos históricos como as guerras. Cando alguén protesta facendo comentarios como "outra novela sobre a guerra civil" eu non o entendo, porque o que non tería sentido sería saltar a historia. Hai unha resistencia, tamén en moitos escritores, a falar das cousas que nos doen, a escapar dos conflitos. Eu penso que é un erro afastarnos da nosa memoria. Saber de onde vimos vainos axudar a entendernos mellor a nós mesmos. E nesta novela quixen falar, por iso, tamén dos silencios, das familias que preferiron esquecer o que pasara, moitas veces para protexer os seus fillos. Familias como a de Diana, á que lle contaran que a súa tía Laura morrera. De todos os xeitos a miña intención non é facer novela histórica. A historia está aí como pano de fondo, pero o meu obxectivo é outro. "Nesta novela quixen falar, por iso, tamén dos silencios, das familias que preferiron esquecer o que pasara, moitas veces para protexer os seus fillos" Hai unha frase de Diana na novela que creo que resume ben o sentido do libro. "Cada persoa arrastra a súa historia e non sempre é responsable dela"... A novela ten moitos temas, en realidade. E un dos principais é a identidade, xunto coa culpa, o amor, a esperanza... Laura tenta reconstruír a súa identidade a través do espello que os demais lle devolven de si mesma, pois esqueceu corenta anos da súa vida. Para escribir As rulas de Bakunin entrevistei a xente que vivira a guerra, e atopei ese sentimento de culpa. Pola contra, fascistas que cometeran crimes horribles xustificaban as súas accións pola precisamente pola guerra. É unha novela chea de relacións afectivas frustradas. Laura e Máximo sepáranse porque el casa con outra muller, o fillo de Máximo sentía moi distantes aos seus pais, á filla de Laura pasáballe o mesmo coa súa nai, o home de Diana é incapaz de amar, o seu avó rexeita e abandona á súa filla Laura... Si, o libro fala moito da necesidade e da imposibilidade de amar. Laura é unha muller tan libre que non quere atarse a ninguén mais, se cadra, o que tenta é evitar o sufrimento. O que lle ocorre a Gregorio, o avó de Diana, coa súa filla Laura pasou en moitas familias naquel tempo. Os fillos saían con ideoloxías contrarias ás dos pais, e o fanatismo levaba a eses pais a rexeitar os seus propios fillos. O choque xeracional era moito máis forte do que pode ser agora. "Os fillos saían con ideoloxías contrarias ás dos pais, e o fanatismo levaba a eses pais a rexeitar os seus propios fillos. O choque xeracional era moito máis forte do que pode ser agora" Parece, tamén, que querías retratar a conivencia da burguesía, ou polo menos de parte dela, co franquismo, encarnada na familia catalá de Diana e nos pais madrileños da muller de Máximo. É que foi así. Na Pobra do Caramiñal podes atopar xente que lembra aquelas familias que viñan pasar o verán e que evitaban relacionarse coa xente da vila. Ata se sentaban nun lugar afastado na Igrexa. Parte desa aristocracia foi cómplice da ditadura, si. Despois, cousas que conto como que esas familias puideron coñecer a escritores como Valle-Inclán entran dentro do posible. Para construír eses personaxes axudoume moito, por certo, Suso Laíño, que garda o censo da xente que pasou por alí. Corrubedo, por certo, xa saía na túa novela A esfinxe de Amaranto, outra historia sobre segredos familiares gardados de xeración en xeración. Si, a min gústame moito a praia do Vilar, e sempre penso como era antes. Hai anos non había o interese turístico polas dunas que hai agora. Estaban alí, pero non se lles daba tanta importancia, era como un lugar solitario, por iso puiden situar alí o encontro entre Laura e Máximo. É certo que xa falei noutros libros do Vilar, igual que noutras novelas falei do Couto Mixto. E, curiosamente, un lector dicíame que se notaba que son de Xinzo porque coñezo mellor o Couto Mixto. É unha novela de 700 páxinas, pero a técnica narrativa axuda moito a darlle dinamismo. Tamén a intriga, ben dosificada. As historias vanse desenvolvendo en paralelo, en capítulos alternantes. Ademais hai outras dúas novelas dentro dela. A que escribe Máximo, contada en estilo indirecto, e a que escribe Laura sobre os campos, en primeira persoa. Como pensaches esta estrutura? Pois o certo é que eu ata que teño clara a estrutura non comezo a escribir. Sempre se di, ademais, que a mellor estrutura é a que pasa desapercibida, e iso intento. Esta novela ten se cadra unha maior complexidade que as outras que escribín, tamén porque é máis longa. Pero procuro que esa complexidade non a sufra o lector. A novela que escribe Laura sobre a súa experiencia no campo de concentración dubidei se facela así, e realmente foi o que máis me custou, pero creo que axuda moito a entender toda a historia e darlle sentido. Así, no libro hai novela-reportaxe, novela psicolóxica, moita metaliteratura como é habitual nos meus libros... Pero eu creo que ao final se acaba lendo como unha novela lineal, sobre todo desde que o lector xa se situou cos personaxes, despois dos primeiros capítulos. E, por certo, ía ser moito máis longa, pero cortei moito. En calquera caso, a idea é que sexa unha literatura que pase por ti, que quede, que non esquezas os personaxes nuns meses. "Nos campos de concentración morreron vivos, porque unha parte moi importante deles morría" Tamén é unha historia de renuncias. Máximo réndese, deixa a súa familia republicana e actúa con certa covardía. E non é o único da novela. El mesmo contrasta con Laura, ou con Diana, que loitan polo que queren. Aínda que de Máximo tamén vamos descubrindo que ten máis historia da que parece. Máximo o que vive é un exilio interior, refuxiado nos libros. Moita xente tivo que calar para sobrevivir, e a idea do libro non deixa de ser esculcar na alma humana. Na novela está presente esa reflexión sobre a xente que sobrevive á morte e iso é para eles unha especie de condena, e por outra banda xente que viviu morta. Nos campos de concentración morreron vivos, porque unha parte moi importante deles morría. Os superviventes dos campos viviron un auténtico inferno, e comprobaron como calquera pode converterse nun asasino se as circunstancias son extremas. É o que lles pasaba aos superviventes dos campos. Ir pola rúa e pensar "este mataríame, este tamén"... Ten que ser terrible ese sentimento de ameaza. E por iso tamén a amnesia de Laura é como unha salvación para ela, pois pode vivir sen ese peso. Eu non sabía nada de amnesias, pero axudoume moito un neurólogo, Rogelio Leira. Aínda que a novela o que reivindica é a memoria, e non a desmemoria. Si, claro. Ela desexa lembrar, e tenta reconstruír a súa propia memoria e a súa identidade a través do home, a filla, a través do que ela foi para eles... Tamén no meu libro Casas Baratas fixera un exercicio de recuperar a memoria, e o certo é que volvín a recordos nos que xa nunca pensaba. A memoria é a parte esencial da nosa identidade, sen ela non podemos saber quen somos. Outro dos contrastes sobre os que está construída a novela ten o seu foco nas familias. Nada ten que ver a de Máximo coa da súa muller, por exemplo. Si, é que daquela un matrimonio republicano e un conservador eran moi diferentes. Se cadra podemos idealizar un pouco esas diferenzas, pero desde logo o seu xeito de ver cuestións como a sexual, a da muller... era ben distinto. Sempre tendo en conta que moitas veces os fillos non se parecían aos pais. Diana rompe, dalgún xeito, coas convencións da súa familia, decátase de quen era realmente seu avó franquista... Pero tamén olla con escepticismo a xuventude da súa xeración. Di que fillos da burguesía abrazaban a esquerda case como unha moda. Si, fala dunha esquerda que tiña unha concepción un pouco panfletaria da ideoloxía. Pois ser de esquerdas supoñía xuntarse, ver determinadas películas, ler determinados libros... Diana é dalgún xeito un espello de Laura. Teñen as súas ideas, pero tampouco se entregan cos ollos pechados a unha ideoloxía concreta. A ideoloxía tamén pode ser un obstáculo para o pensamento libre, segundo como se entenda. "A ideoloxía tamén pode ser un obstáculo para o pensamento libre, segundo como se entenda" Nunha novela máis psicolóxica que histórica, coma esta, o desenvolvemento das personaxes é un piar fundamental. E hai personaxes secundarias ben importantes, como o boticario, que lle ensina a Laura a facer fotografías. Das personaxes secundarias eu salientaría a Bernie, e ao propio Bob, o home de Laura. Bernie tamén arrastra un enorme sentimento de culpa desde os días da fin da Segunda Guerra Mundial, e de aí a súa obsesión, compartida con Bob, por atrapar o nazi que atopan. A personaxe que citas está inspirada nunha persoa que existiu, que tiña unha farmacia e facía globos aerostáticos, pero é de fición. Os globos son tamén unha metáfora da liberdade. Que estás a escribir agora, entón? Pois aínda estou empezando, pero será unha novela máis contemporánea, que non vai ter a complexidade desta. |
NOS_49126 | Galiza chega á fin de semana cun alivio na presión hospitalaria ao descender os pacientes Covid a 98 e situarse por baixo do centenar, nove menos que o día anterior, mentres que os novos contaxios deste coronavirus descenden a 91 tras o lixeiro repunte da xornada pasada. Os casos activos redúcense a 2.052. | Segundo os datos actualizados na mañá desta sexta feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas desta quinta, descenden a 15 as persoas ingresadas en UCI na Galiza -cinco menos- e a 83 as que se atopan noutras unidades -catro menos-. Por áreas sanitarias a presión hospitalaria descende en cinco de sete: Vigo, Santiago e Barbanza, A Coruña e Cee, Ourense e Lugo, mentres que se mantén na de Pontevedra e O Salnés; e aumenta lixeiramente na de Ferrol. En concreto, na de Vigo baixan a catro os pacientes Covid en UCI -un menos- e a 10 os doutras unidades -tres menos-, mentres que na da Coruña e Cee seguen dous ingresados en críticos e descenden a 16 os doutras unidades -dous menos-. Mentres, na de Ourense queda un paciente en UCI -dous menos- e soben a sete os doutras unidades -un máis-; e na de Santiago e Barbanza caen a tres o críticos -un menos- e seguen 21 noutras unidades. Na de Lugo mantéñense dúas persoas en UCI e descenden a oito os ingresados noutras unidades -dous menos-; mentres que na de Pontevedra e O Salnés continúan dúas persoas en críticos e 14 noutras unidades. A área de Ferrol é a única na que sobe lixeiramente a presión hospitalaria xa que, aínda que queda un paciente en UCI -un menos- ascenden a sete os doutras unidades de hospitalización -dous máis-. Trece xornadas en descenso Pola súa banda, os casos activos de Covid-19 seguen con tendencia descendente, que se mantén durante 13 xornadas consecutivas, e redúcense a 2.052, que implican 104 menos que o día pasado ao haber máis altas (193) que contaxios (91), ao que se suman dous óbitos. As infeccións activas descenden nas áreas sanitarias de Vigo (-61), Lugo (-19), Pontevedra e O Salnés (-15), Santiago e Barbanza (-12) e A Coruña e Cee (-1); mentres que soben lixeiramente na de Ourense (+4) e mantéñense na de Ferrol. Así, a área de Vigo continúa á cabeza en casos activos con 574; seguida da de Santiago e Barbanza, con 358; A Coruña e Cee, con 356; Lugo, con 250; Pontevedra e O Salnés, con 232; Ourense, con 168; e na cola mantense Ferrol, con 114. Contaxios En canto aos novos contaxios detectados con calquera tipo de proba volveron situarse por baixo do centenar, en 91, tras romper a tendencia e elevarse a 106, despois de iniciar a semana con 76, rexistrar 90 a terza e 82 a cuarta. No conxunto da Galiza foron confirmados 90 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas -19 menos-, segundo os datos actualizados pola Consellaría de Sanidade, deles 20 na área de Vigo; 17 na da Coruña e Cee; outros 17 na de Ourense; 12 na de Santiago e Barbanza; 11 na de Lugo; 10 na de Pontevedra e O Salnés; e tres na de Ferrol. Até a data Galiza realizou desde o inicio da pandemia 2.269.258 PCR, que supoñen 3.971 probas máis que as contabilizadas até a xornada anterior e algo menos de 2.000 feitas o día pasado. Polo seu lado, a taxa de positividade repuntou lixeiramente por encima do 2% até o 2,43%, após situarse o día anterior nun 1,5%. Con todo, segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada esta pandemia. A última vez que Galiza excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro. Por outra banda, Galiza rexistra 2.424 persoas falecidas diagnosticadas coa Covid-19 desde o inicio da pandemia, ao notificar na xornada da quinta feira Sanidade dous novos falecidos. |
NOS_6028 | A situación pola que atravesa a CRTVG e que os Venres Negros están a denunciar as traballadoras e traballadores no referido á censura e manipulación estalou hoxe no Parlamento na pregunta oral formulada por Ana Pontón ao presidente da Xunta. A nacionalista acusouno de converter os medios públicos no seu gabinete de propaganda. | A denuncia dos Venres Negros contra a censura e manipulación na CRTVG estalou no Parlamento nunha sesión bronca en que Ana Pontón reivindicou medios públicos, de calidade e democráticos. Na súa intervención reivindicou que os 100 millóns de euros dos impostos das galegas e galegos destinados á CRTVG deben ser "para unha televisión e unha radio de todas, e non para ser o seu gabinete de prensa e propaganda", espetou ao presidente da Xunta de Galiza. Así mesmo, a dirixente do BNG criticou a Alberto Núñez Feixoo por manter un presidente da CRTVG proclamado "a dedo" cando a lexislación vixente marca que debe ser o Parlamento quen o debe nomear. A nacionalista lembroulle tamén que as traballadoras e traballadores do medio público levan máis dun ano denunciando a manipulación e a precariedade na CRTVG cos Venres Negros. Puxo de relevo a este respecto os expedientes a profesionais do medio por denunciaren a manipulación, a censura a artistas por vestiren roupa con lemas en apoio dos Venres Negros. Ana Pontón recriminou a Alberto Núñez Feixoo por manter un presidente da CRTVG proclamado "a dedo" Ademais, a portavoz nacional do BNG, criticou o papel ao que se relegou o ente público na campaña electoral, acusando a Feixoo de ter boicoteado a realización de debates electorais, cualificando o que se organizou de "simulacro" polo seu horario ás 10 da mañá, sendo esta unha franxa destinada a contar con escasas audiencias. O BNG reclama regular os debates electorais e un concurso público para elixir a dirección da CRTVG Como accións para garantir a calidade democrática do medio, Pontón trasladou tres medidas a Feixoo para unha urxente implantación, a comezar por regular os debates electorais para que a poboación poida ver as persoas que as representan en horarios de máxima audiencia. Pontón propuxo que a dirección da CRTVG sexa electa por medio dun concurso que prime a profesionalidade e independencia Esixiu tamén impulsar un concurso público para que a dirección da CRTVG non sexa electa polos partidos políticos, senón por medio dun concurso que prime a profesionalidade e independencia, para rematar así cos "nomeamentos a dedo". Por último, emprazou o presidente da Xunta a crear consellos de redacción e un estatuto profesional, cuxa existencia xa a marca a lexislación aprobada en 2011. A este respecto acusou a Feixoo de vetalos porque "acabaría así o seu mando sobre os medios públicos". Feixoo asegurou que a compañía está saneada Pola súa banda, Alberto Núñez Feixoo defendeu que a TVG está a investir 15 millóns de euros na dixitalización e que é a única canle autonómica que emite en HD, sendo ademais a de maior audiencia logo de TV3. Asegurou tamén que a nivel económico "a compañía está saneada". Villares pregunta a Feixoo se ten medo ás prácticas dos seus directores xerais O portavoz de En Marea, Luís Villares, acusou a Feixoo de vetar a comparecencia no Parlamento do director xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, a quen a Fiscalía está investigando por presunto delito de prevaricación. Luís Villares acusou a Feixoo de vetar a compadecencia no Parlamento do director xeral de Minas Neste sentido preguntou a Feixoo se ten medo ás prácticas do seus directores xerais ao impedir que acudan á cámara a daren explicacións. O voceiro de En Marea puxo tamén enriba da mesa a situación da Valedora do Pobo que, "cunha condena en firme por desviación de poder" mantense no mando, e denunciou que a escusa dada polo PP para non deixar baleiro o cargo non se sostén, xa que segundo argumentou Villares, "a lexislación contempla mecanismos de substitución nestes casos". Feixoo escudouse en que a concesión da mina pola que se investiga a Tahoces foi ditada hai máis de cen anos e ampliada en reiteradas ocasións baixo distintos gobernos. Acusou ademais a Villares de ter ditado sentenzas contra a Xunta cando exercía coma maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza durante varias semana nas que xa sabía que ía ser candidato de En Marea á presidencia da Xunta. O voceiro de En Marea puxo tamén enriba da mesa a situación da Valedora do Pobo Villares pediu a palabra "por afirmacións insidiosas que afectan a súa honorabilidade", mais o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, denegoulla por non considerar que fose ofendido. O PSdeG reivindica retomar as políticas de vivenda pública para atender as necesidades da poboación Na súa intervención plenaria, Xoaquín Fernández Leiceaga deu lectura ao artigo 27 do Estatuto de Autonomía polo que competen exclusivamente a Galiza as competencias en materia de vivenda, e a ese respecto emprazou a Feixoo a facer cumprir coa Constitución Española que marca "o dereito a gozar dunha vivenda digna". Leiceaga denunciou que nos últimos catro anos deixáronse 100 millóns de euros sen executar en vivenda Leiceaga comparou as cifras de gasto en vivenda pública de 2009, que cifrou en máis de 200 millóns de euros fronte á actualidade, onde asegurou que se gasta menos dun terzo. Ademais, denunciou que nos últimos catro anos deixáronse 100 millóns de euros sen executar en vivenda, o que se correspondería con 10.000 vivendas públicas menos para Galiza. Lembrou tamén a Feixoo a resolución aprobada por PSdeG e PP no debate sobre estado da nación, en que se declaraba o compromiso de pór no mercado 6.000 vivendas por ano en cinco anos, e segundo as contas que levou á sesión, a Xunta debería multiplicar por 43 o gasto efectuado en vivenda no 2018 para poder cumprir. Denunciou tamén os retrasos nos programas de alugueiro que afectan a mocidade e persoas con necesidades. "Hai que cambiar as políticas de vivenda e centrarse na promoción de vivenda pública, porque iso permite que os prezos se controlen e que a xente poida ter vivenda digna e a mocidade emanciparse", afirmou Leiceaga. |
PRAZA_16831 | A montaxe do CDG represéntase en catro funcións por semana no Salón Teatro de Santiago antes de iniciar xira polo resto do país, ao termo da cal tamén viaxará a Madrid | "A consecuencia da morte de Xoana, a súa irmá e a súa cuñada disputan a custodia do fillo orfo, que se resolve por un sistema de quendas. Pero ningunha das dúas pensa no benestar do neno, senón nos beneficios que poden acadar elas, guiadas unicamente polo egoísmo e sen importarlles as consecuencias das súas accións". É o punto de partida de Divinas Palabras Revolution, a nova produción do Centro Dramático Galego que, baixo a dirección de Xesús Ron, torna os personaxes de Valle-Inclán en concursantes dun reality show contemporáneo no que a "traxicomedia de aldea", como subtitulou Valle a súa obra, convértese en "traxicomedia da aldea global". Marigaila, Pedro, Simoniña, Marica, Tatoola, Migueliño, Candás, Laureano e Sétimo Miau son nove personaxes pechadas nun programa de telerrealidade. Alí "reviven, inconscientes, o cru e duro retablo da avaricia, luxuria e morte que Valle-Inclán construíu" na obra orixinal. Nesta versión, asinada por Manuel Cortés e o propio Ron, o espazo audiovisual (Quadra Producións e Cuco Pino) é unha "peza indispensable". Non é outra cousa que unha "casa-plató vixiada polas cámaras as 24 horas". A montaxe, da que o CDG catro funcións semanais no Salón Teatro de Santiago antes de iniciar xira polo país, ten unha ambientación actual que "non afecta ao espírito crítico e inconformista co que o autor arousán concibiu a obra hai cen anos", sinalan dende a compañía pública. É, tamén, "un retrato descarnado dun pobo inconsciente da súa ferocidade, un testemuño irascible da miseria moral da sociedade" que, no entanto, non é simplemente unha tradución ao galego. Non o é, resaltan os autores, porque "asume a imposibilidade de atopar esa aldea valleinclanesca na actualidade como reflexo doutras moitas imposibilidades", tales como a de "conservar o sagrado, a natureza virxe, a pureza e o misterio como símbolos de Galicia". A obra represéntase en catro funcións por semana no Salón Teatro de Santiago antes de iniciar xira polo resto do país, ao termo da cal tamén viaxará a Madrid Ata finais de mes Divinas Palabras Revolution represéntase na sede compostelá do CDG de xoves a sábado ás oito e media da tarde e os domingos -día do espectador-, ás seis da tarde. Tras o pase de cada xoves, indica o Centro Dramático, o público "ten a oportunidade de intercambiar impresións co equipo nos Encontros co público". A estas funcións engádense, ademais, as matinais para grupos de escolares a partir dos 15 anos. Ademais, salienta a Axencia Galega das Industrias Culturais, as funcións dos domingos 15, 22 e 29 contan cun servizo de conciliación familiar no que a rapazada de 5 a 12 anos pode acudir a obradoiros artísticos na Fundación Granell mentres as súas familias asisten á obra. Os personaxes da obra, na 'casa plató' na que se desenvolve / CDG Unha vez rematada a estancia no Salón Teatro esta montaxe xirará por varias localidades galegas: 4 de maio en Carballo, 11 e 12 de maio en Ourense, 1 de xuño no Barco, 8 e 9 de xuño na Coruña, 14 de xuño en Pontevedra, 16 de xuño en Rianxo, 21 e 22 de xuño en Vigo e 29 de xuño en Cangas. A continuación a montaxe galega viaxará ao Teatro Español de Madrid, onde será represntada en galego con subtítulos en castelán 85 anos despois da estrea da obra orixinal, no mesmo espazo con escenografía de Castelao e coa actriz Margarita Xirgu, moi ligada á Xeración do 27. |
NOS_51499 | «Pense moi ben o acordo con Podemos», pediu Alberto Núñez Feixoo a Pedro Sánchez. O presidente da Xunta de Galiza exhortou o líder do PSOE a «voltar a falar» cos partidos «non dubidosos de defender a unidade de España e o Estado autonómico». | O presidente da Xunta de Galiza preguntouse se Pedro Sánchez durmirá tranquilo con Pablo Iglesias no goberno. Desta maneira Alberto Núñez Feixoo valorou negativamente o preacordo alcanzado por Unidas Podemos e PSOE esta terza feira 12 de novembro para a conformación dun Executivo no Estado. Feixo exhortou o líder do PSOE a «voltar a falar» cos partidos «non dubidosos de defender a unidade de España e o Estado autonómico» e que teñen «experiencia de goberno». «Pense moi ben o acordo con Podemos», pregou Feixoo a Sánchez. Sobre o preacordo conseguido a 24 horas das eleccións xerais, o presidente galego afirmou que ninguén vai confiar en Pedro Sánchez «de ser verdade que nos enganaron a todos durante tanto tempo», en referencia á imposibilidade de chegar a un acordo de goberno na anterior lexislatura. Feixoo considerou ademais que «o PSOE que dirixían Felipe González ou Alfredo Pérez Rubalcaba, constitucional, socialdemócrata, con proxecto para toda España, tomaría a iniciativa de chamar o PP a noite electoral para negociar». |
NOS_26350 | A Consellaría de Sanidade presentou hoxe unha nova aplicación 'Sergas Móbil' para ampliar as consultas telemáticas | A Consellaría de Sanidade deu un paso máis cara á "telemedicina" coa presentación da nova aplicación Sergas Móbil, que , segundo defende, "facilitará o acceso aos servizos de videoconsultas na sanidade". A plataforma ofrece a posibilidade de empregar a tarxeta sanitaria de forma virtual, xa que terá o mesmo valor que a física, e acceder aos servizos de videoconsulta con facultativos de atención primaria ou hospitalaria, sendo estes profesionais os responsábeis de prescribir as consultas. Ademais, permite consultar as citas, solicitar a súa quenda, acceder ao historial clínico e ao resultado de probas, así como a medicación activa do paciente. Esta xestión telemática, xunto coa maior utilización das consultas telefónicas, busca recortar a presencialidade nos centros de saúde. Segundo Sanidade, "para evitar a propagación do virus da Covid-19". Ao respecto, Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública, considera que a redución de actividade presencial supón "un problema" porque a Atención Primaria é "a porta de entrada ao sistema de saúde e onde se valoran as primeiras decisións sobre a saúde do paciente", sinala en declaracións a Nós Diario. Martín apunta que "este sistema sumará máis dificultades ás persoas maiores para poder acceder á Atención Primaria" e engade a isto "a falta de recursos no rural". A aposta da Consellaría creará, a ollos do médico, "un aumento da desigualdade entre a xente nova e os maiores no seu dereito á sanidade pública". O 40% das consultas telemáticas Nunha entrevista con Nós Diario, publicada no Sermos Galiza especial sobre o aniversario da Covid-19, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmaba que antes da chegada da pandemia, as consultas telefónicas representaban en 2020, na Atención Primaria, o 15%, "o obxectivo que nos fixamos". "Veu a pandemia e esa ferramenta estaba engraxada e ben aceptada por poboación e profesionais", defendía o conselleiro, "houbo momentos en que chegamos até 85% de atención non presencial en Atención Primaria", asegurou na conversa. "Xa tiñamos esta ferramenta antes da pandemia e no futuro deberá consolidarse, evidentemente ben usada", defendeu o conselleiro na citada entrevista, onde revelou que pediu ás áreas sanitarias rematar o ano "cunha non presencialidade de arredor de 40%". Sobre este tema, Xosé María Dios, secretario da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Galega, apunta, en declaracións a Nós Diario, que "a Consellaría non lle pediu opinión á poboación, que defende a presencialidade das consultas, porque queren ver o seu profesional sanitario". Esta "estratexia de implantación da medicina telemática é política, e non do cuarto conselleiro de Sanidade que levamos en catro lexislaturas, senón do presidente Feixoo". Advirte de que "leva ao desmantelamento da Atención Primaria e á privatización dos servizos de saúde" e "non ten en conta os problemas que supón para a xente do rural". Dios considera que a Xunta "debería investir xa non só en persoal sanitario, senón tamén en adecuación de medios no rural, para que as condicións telemáticas poidan ser mellores, e en formación, para aquelas persoas maiores que teñan dificultades para poder acceder a este tipo de servizos" en liña. |
NOS_47410 | O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xa advertira de que era posíbel que se estabeleceran novas medidas para frear a expansión na área de Vigo, malia que entendía que a situación do país "non é mala" en termos xerais. No entanto, o fechamento perimetral mantense nos catro municipios afectados na actualidade e increméntanse os concellos con nivel alto e medio de restricións. | A Xunta anunciou a última hora desta terza feira que un total de catro concellos pasarán a estar fechados perimetralmente e coa hostalaría sen actividade a partir desta sexta feira ás 00 horas, momento no que tamén entrarán en vigor novas prohibicións noutras 34 vilas. Fíxoo despois de que se celebrase unha nova reunión de traballo da Administración galega cos membros do Comité Clínico que asesora sobre a evolución da pandemia no país. Se ben as limitacións máis altas xa afectan a Cualedro, O Grove, Carballeda de Valdeorras e A Pobra do Caramiñal, semella que as e os expertos consideran que a situación epidemiolóxica non mellora, pois na medianoite desta sexta feira permanecerán en idéntica situación. Por outra parte, no nivel alto -que implica menos capacidade na hostalaría, entre outras cuestións- quedarán Marín, Meaño, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Padrenda, Cortegada, O Barco, Rubiá, Lobeira, Muiños, Petín, Meira, Ribeira e Cambre. Mentres que a maioría das localidades pasarán unha semana máis no nivel baixo, entran no chanzo medio Trabada, Barreiros, Lobios, Cartelle, Cambados, Catoira, Vilagarcía de Arousa, A Illa, Meis, Sanxenxo, Cangas, Gondomar, Ponteareas, Boiro, Rianxo, Carral, Muxía, As Pontes, Ortigueira e tamén Vigo, que de momento evita fechamentos perimetrais e medidas máis prexudiciais para a economía.Así, a cidade olívica será a única das sete grandes urbes que teña un nivel restrictivo por enriba do baixo. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xa advertira esta segunda feira de que, malia que a situación epidemiolóxica en xeral na Galiza "non é mala", si había "preocupación" polos contaxios na área de Vigo. De feito, na vacinación masiva convocada na pasada fin de semana -que era tanto nesa cidade como noutros puntos da Galiza- faltaron numerosas persoas, se ben un dos presentes foi o alcalde, Abel Caballero, que animou á cidadanía a utilizar esta vía contra o coronavirus.Con independencia desa ausencia da veciñanza convocada, García Comesaña avanzaba que todo facía prever a implantación de novas limitacións para frear esa afección da Covid-19. Se ben está previsto que hoxe se explique polo miúdo o contido do encontro, alén da actualización dos concellos por niveis de restricións, o Comité Clínico non adoptou ningunha outra decisión. A semana pasada, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, indicaba que as medidas do desconfinamento serían progresivas e que terían un período de avaliación de dúas semanas. O último dos pasos na desescalada entrou en vigor a pasada sexta feira, día 16, cando se implantou ás 23 horas o toque de recoller e se permitiu servir ceas, previa reserva, en locais de hostalaría con licenza de restaurante. Esta última medida está vinculada á obrigatoriedade de instalar no interior dos locais, e visíbeis, medidores de CO2 para garantir a calidade do aire. Unha norma que será obrigatoria a próxima sexta feira, día 23. A situación "non é mala" Ademais de falar dunha certa boa evolución a nivel global, onte o responsábel de Sanidade explicou que a situación non é "homoxénea" en toda a Galiza. Así, advertiu, hai zonas que "están nunha situación francamente boa, moitos concellos con ningún caso que se manteñen, pero tamén hai concellos onde se está incrementado". Como noutras ocasións, fixo fincapé en que "se hai que dar algún paso atrás, por suposto, darase". E nesa mesma liña manifestábase o vicepresidente primeiro sobre a proba piloto para reabrir os negocios do lecer nocturno a partir de maio. Segundo os datos transmitidos hoxe polas autoridades sanitarias, detectáronse nas últimas 24 horas 131 novos positivos, dos cales 105 foron detectados mediante PCR. Porén, realizáronse máis de 3.000 probas menos con respecto ao día anterior. Pontevedra e O Salnés, Vigo e A Coruña e Cee asumiron a maior parte dos casos novos, que manteñen a taxa de positividade diaria en rexistros similares aos de días anteriores, arredor de 1,6%, por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde fixa para dar por controlada a pandemia. |
NOS_32447 | Fontes do goberno rexional admiten manter tres reunións con representantes da vacina rusa. | A Comunidade de Madrid valorou a posibilidade de mercar a vacina rusa Sputnik V contra a Covid á marxe do Goberno español. Segundo o diario ABC e confirmado por fontes do Goberno rexional, o conselleiro de Sanidade de Madrid mantivo tres reunións con representantes da vacina rusa. Unha delas foi o 11 de febreiro, "a petición da firma". "É deber do conselleiro de Sanidade, Enrique Ruiz Escudero, explorar as negociacións ante a ineficacia do Goberno", de Pedro Sánchez, dixeron fontes do executivo de Isabel Díaz Ayuso. A Comunidade de Madrid di que a idea era "facilitar un acordo de pre-compra beneficioso para todo o Sistema Nacional de Saúde e en igualdade de condicións para todos os españois". Tratábase de gañar tempo para negociar e esperar a súa aprobación pola EMA [Axencia Europea do Medicamento] ", din, para ter deste modo todas as posibilidades abertas no futuro na loita contra a pandemia, sempre dentro do marco estatal de vacinación ". |
NOS_44072 | Achegámonos a Catalunya ás portas do referendo do 1-O, entrevistamos Ana Miranda após pedir a ilegalización da Fundación Francisco Franco,. aprendemos da revolución feminista desde as aulas, gozamos cun FIOT que está a piques de subir o pano... Todo isto e máis xa na nosa loxa. | Catalunya encara a recta final do seu procés soberanista. O domingo 1 de outubro as catalás e os cataláns están chamados ás urnas para participar nun referendo de autodeterminación. Do seu resultado poderá nacer, se así o determina a vontade democrática, a República catalá. Un momento histórico que debullamos na reportaxe 'Catalunya ás portas do refrendo', na que tamén pulsamos a opinión de galegos residentes alí. Combater o patriarcado desde o ensino é posíbel con iniciativas como o Comando de Igualdade. Unha iniciativa que naceu nun instituto do barrio de Coia, en Vigo e que che contamos en 'A revolución feminista desde as aulas' 'Arrancando o negocio da educación'. Chega setembro e como cada ano arranca o curso escolar, mentres o custo da vida segue en aumento e o poder adquisitivo das familias en diminución. Continuamos nun sistema que non dá nin garante unha educación pública gratuíta. Así o advirte nesta análise a presidenta da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnado de Vigo e Comarca (FOANPAS), María del Carmen Rivas Corbacho. "O estado incumpre coa ONU en relación á memoria" Entrevistamos Ana Miranda. Na escena política galega Ana Miranda é sinónimo de hiperactividade. Pazo de Meirás, Catalunya e Angrois dson os temas que tratamos con ela, que a principios de 2018 tomará posesión do euroescano do BNG en Bruxelas. "O 20-N denunciaremos en Bruxelas que o fascismo segue vivo". "Vosté pergúnteme o que queira que eu lle contestarei o que me dea a gana". Esa era a frase favorita do asesor de imprensa de JFK, o presidente dos EUA máis carismático do século XX. Cada 15 días Feijóo aplica esa consigna no Pazo do Hórreo. 'As trapelas de Feijóo para non debater'. Internacional Manuel Mera aborda o referendo do Curdistán, que tivo unha ampla participación popular. Ademais, Rivera Jácome explícanos como a macronreforma laboral de Francia abre a porta a unha nova vaga de recortes. Un cambio de norma retrasa a idade de xubilación dos tripulantes da frota conxeladora galega, unha decisión que bota polo chan dereitos conquistados hai anos e que afecta miles de persoas no noso país. Algúns terán que alongar catro anos a súa vida laboral. Nos portos galegos xa se articula unha resposta. 'Vía de auga á frota galega'. En análise, debúllanse os retos para a economía galega. Superheroína, figura pop, minimalista... É Rosalía de Castro reinterpretada en 2017. Todas as formas que adopta teñen unha característica en común: a modernidade. E é que a máis recoñecida autora da literatura galega está máis viva que nunca. Poderemos comprobalo no Festival Rosalía que organiza a Deputación da Coruña, xunto co Concello de Santiago, a AELG e a Fundación Rosalía, o 29 e 30 deste mes en Compostela. 'Rosalía máis viva que nunca'. 'FIOT sobre o pano'. Xa latexa a XXVI Edición do Festival Internacional de Outono de Teatro de Carballo (FIOT) e continuará co pulso firme até o 28 de outubro. Algo máis dun mes para gozar dun total de trinta e catro obras con tres coproducións, sete estreas absolutas e outras sete estreas na Galiza. Tamén neste número, Xoán Costa, Nachortas, Tokio, Iago Varela, María do Pilar García Negro, Xabier Queipo, Colectivo Xea, Mario Regueira, Andrés Castro, Pepe Barro e Suso Díaz. |
NOS_33238 | O xurado escolleu a súa obra, Carrusel. | Carrusel, de Berta Dávila foi a obra escollida polo xurado do Premio de Novela Manuel García Barros, que organiza o Concello da Estrada, como gañadora da 31 edición. O xurado destaca a súa "depuración estilística, o traballo lingüístico e o coidado das imaxes", que nos achegan a un "mundo interior gobernado pola autenticidade dos sentimentos", segundo destaca o fallo do xurado. A autora recibirá un premio en metálico de 9.000 euros. Berta Dávila Fernández, (Compostela, 1987) é autora de poemarios, narrativa e tamén se adentro na literatura infantil e xuvenil. |
NOS_10910 | Obtivo o 34% da representación na comarca, sendo a central máis votada nas federacións de Administración, Construción, Sanidade, FGAMT e Servizos. Acadou o segundo lugar en Industria, Ensino e Banca. | A CIG obtivo o 34% dos delegados no periodo concentrado de eleccións sindicais na comarca de Ferrolterra, un 0,75% máis que no periodo anterior. Unha porcentaxe que consolida a central nacionalista como a primeira nesa comarca do norte do país, por diante de UGT (29,5%) e de CCOO (24,7 por cento). A CIG foi a máis votada en sectores como Construción, Sanidade, Servizos, Administración ou Fegamt. A central nacionalista acadou o segundo lugar nas Federacións de Industria, Ensino e Banca. Unha situación que se reflicte no feito de que neste último período de eleccións elixíronse na comarca 492 delegados e delegadas menos; un descenso do 36% a respecto do período anterior. Unha caída que se deixou sentir en todos os sectores aínda que con maior incidencia na Construción (-51.3%), a Banca (-50%) e a Industria (-40.09%). Porén, o sector Servizos tampouco resultou alleo a este declive cun descenso no número de representantes a escoller que acadou o 33.37%. Para a Unión Comarcal de Ferrol, estes resultados veñen recoñecer "que houbo unha aposta das traballadoras e dos traballadores desta comarca polo sindicalismo que representa a CIG. Este resultado danos azos para seguir traballando e afondando no noso proxecto sindical". |
NOS_25506 | "Fomos motores da nosa historia", dixo Xurxo Souto ao se referir ao movemento Bravú que cumpre no 2014 o vinte aniversario do seu nacemento nunha tasca de Viana, en Chantada. Souto presentou no Culturgal o proxecto Bravú XX, que quere ser unha homenaxe colectiva a aquela explosión de cultura coas raíces chantadas no rural. | Unha exposición que prepara o propio Xurxo Souto con produción de Caramuxo e a próxima publicación dun libro sobre Os Diplomáticos de Montealto do xornalista Rodri Suárez serán dous dos primeiros chanzos que se sumarán ao proxecto Bravú XX, unha iniciativa que quere celebrar o nacemento do movemento na taberna o Cabaleiro de Viana, en Chantada no 1994. No acto de presentación do proxecto Bravú XX que agora bota a andar, Xurxo Souto acompañouse dun grupo de protagonistas daquel momento para anunciar un proxecto no que, de saída, xa mostraron interese en participar o festival Revenidas e o Festival de Cans ademais do Castañazo de Chantada no que naceu o Bravú. Con Xurxo Souto chegou ao Culturgal Xan Xove, que percorreu toda Europa coa banda Gharbanzo Negro e que tamén participou na xuntanza inaugural da taberna de Viana. "Descubrimos que ser punki era tocar a gaita nunha taberna. Os nosos pais tentaban ocultarnos que viñamos da aldea e querían que non falaramos galego pero todos os fins se semana iamos á aldea", dixo Xan Xove ao recoñecer aos "Vergalludos" como os fundadores daquel encontro coa tradición desde a máis absoluta modernidade, que é como dixo entender o Bravú. Saber de onde vimos "Somso un pobo de artistas e temos dereito a coñecer de onde vimos e a capacidade de cambiar a realidade", sinalou Xurxo Souto, á hora de defender tamén o interese de celebrar o Bravú neste aniversario redondo. "O primeiro Castañazo fixémolo no baixo dunha obra", lembrou para defender que para celebrar non precisa grandes investimentos senón a vontade de conmemorar aquel afortunado encontro. A quen convidou a falar tamén foi a Quintáns, un dos promotores de Revenidas de Vilaxoán, quen confesou que no festival se sentían "fillos do Bravú" e recoñeceu como unha honra a súa vinculación ao proxecto. "Acéptanse ideas, todo o mundo pode participar", dixo Xurxo Souto nunha sesión na que se sentiu a "Tratorada" de Rastreros e "Eu quero ser ghaiteiro" de Diplomáticos puxeron banda sonora e, con Sofía de Labañou lembraron o entusiasmo dun tempo no que Mercedes Peón se descubriu bravú e Manu Chao atopou con Pinto d´Herbón o que buscara polo mundo enteiro. |
NOS_57930 | Só se mantiveron no trono durante un mes e medio pero representaban os intereses dunha Galiza que apostaba en seguir vivindo independente arredada da orbita castelá. A súa renuncia non implicou a fin da resistencia galega pero abriu a porta a un proceso político que remará coa incorporación subordinada do noso país ao reino de Castela. Eis un extracto da información publicada no número 334 de Sermos Galiza. | A acción política dos anos finais do goberno de Afonso VIII está orientada a garantir a continuidade dun reino de Galiza independente arredado da orbita castelá. A morte á volta de 1214, cando só contaba con 22 anos de idade, do seu fillo Afonso, froito do seu matrimonio con Tareixa de Portugal, supuxo un duro golpe para o seu proxecto, nun contexto dun enfrontamento cada vez maior con Castela. Os litixios dos galegos co reino veciño viñan de lonxe, tecendo o noso monarca diversas alianzas no ámbito peninsular para debilitar o peso castelán que contaba co forte apoio do papado, até poñer en marcha en 1991 o pacto de Huesca, unha liga impulsada por Afonso VIII co apoio dos reinos de Portugal, Navarra e Aragón para loitar contra Castela. A proclamación en 1217 do seu fillo Fernando como rei castelán derivou nun enfrontamento aberto co pai, que intervén na política deste reino en defensa dos intereses galegos, producíndose unha ruptura definitiva entre ambos que duraría mesmo até a morte de Afonso VIII. Afonso VIII remataría por nomear como sucesoras á coroa de Galiza as súas fillas Sancha e Dulce. Á volta de 1217 o monarca galego despoxa dos seus dereitos sucesorios o infante Fernando, froito do seu matrimonio coa castelá Berenguela, deixando desde aquela de nomealo nos seus documentos e reiterando en diversos documentos a súa negativa á aspiración ao trono. Un ano máis tarde, o 26 de agosto de 1218, pai e fillo asinan a paz de Toro, un acordo polo que poñen fin ás hostilidades entre Galiza e Castela, onde o futuro Fernando III renuncia expresamente a calquera dereito sobre a coroa de Galiza e recoñece como lexítimas herdeiras as súas irmáns Sancha e Dulce. Na mesma liña, o 13 de xuño de 1219, Afonso VIII fecha un pacto con Portugal no val de Baroncelle, na Lima, onde se afirman outra vez os dereitos sucesorios de Sancha e Dulce, fillas do matrimonio coa raíña portuguesa Tareixa, comprometéndose o reino irmán a garantilos, mesmo, militarmente após a morte do rei galego. [Podes ler a información íntegra no número 334 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
PRAZA_7252 | Faise imprescindible recuperar por parte da cidadanía o control político das institucións para facilitar o acceso a vivenda e o mantemento dunha cidade viva e cohesionada e que protexa os dereitos fundamentais dos seus veciños | O convenio asinado polo Concello de Santiago de Compostela coa Consellaría de Medio Ambiente para construír vivenda libre nun terreo público destinado a vivenda para mozos en réxime de alugueiro evidencia unha vez máis os principios ideolóxicos do PP: a privatización do público para poñer en mans do promotor privado o negocio lucrativo, antepoñendo os intereses particulares sobre os da comunidade, sen ningún tipo de complexo. Evidencia unha vez máis os principios ideolóxicos do PP: a privatización do público para poñer en mans do promotor privado o negocio lucrativo Neste caso únense dous graves ataques ao interese social, por un lado o desprezo ó dereito a vivenda, tantas veces pisado, e por outro, un novo ataque a manter viva a cidade histórica eliminando unha das poucas medidas que posibilitan a revitalización e a dinamización do centro histórico, como é a creación de vivendas para mozos. E vemos como practican estas políticas en contra das súas propias leis, sen ningún pudor, coma a Lei de Rexeneración Urbana ou a Lei do Solo de Galicia que promove a cohesión social, ou desa Constitución que tanto reivindican noutros casos… Cando falamos de vivenda, é necesario recordar o artigo 47 da Constitución: "Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para faceren efectivo este dereito, regulando a utilización do solo de acordo co interese xeral para que se impida a especulación" e todos os ataques lexislativos favorecedores da especulación dos gobernos do PP coma aquela Lei do Solo o 97 que de forma irresponsable e antisocial pretendía facernos crer que a liberalización do solo favorecería a baixada de prezos da vivenda e acabou na burbulla inmobiliaria da que aínda sufrimos nós e o noso territorio os seus terribles efectos. A política de vivenda, esa gran esquecida por todos os gobernos neste país, tiña que conseguir o acceso a unha vivenda digna pola maioría da poboación, tal e como pasa por exemplo en Euskadi, onde mais da metade das vivendas teñen detrás algún programa público para permitir o acceso a vivenda en réxime de propiedade ou alugueiro. Pola contra, vemos como estes gobernos, autonómico e municipal, despois destes anos de goberno sen ningunha inversión neste campo, agora cando chegan as eleccións, intentan facernos crer que apostan por ela con este convenio especulativo e privatizador, apelando aos máis de seiscentos demandantes de vivenda inscritos no rexistro da Xunta neste concello. Afonda nesa idea clásica da dereita de expulsar aos barrios periféricos os beneficiarios de vivenda protexida A chapuza especulativa da cesión desta parcela a un promotor a cambio da construción de vivendas no Castiñeiriño, reduce o número de vivendas protexidas previstas, e ademais afonda nesa idea clásica da dereita de expulsar aos barrios periféricos os beneficiarios de vivenda protexida, aínda que vaia contra a propia Lei do Solo de Galicia vixente na actualidade e mesmo da nova lei, aínda menos protectora dos dereitos sociais e do territorio, que se está tramitando a instancias do PP no Parlamento. Segundo o art. 47/11.c da Lei do Solo vixente: "A reserva para a construción de vivendas de protección pública terán que localizarse evitando a concentración excesiva de vivendas deste tipo, para favorecer a cohesión social e evitar a segregación territorial dos cidadáns ou cidadás pola razón do seu nivel de renda." Esta parcela, de 1.600 metros cadrados e valorada en 2,9 millóns de euros, é propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo e dende 2003 estaba reservada para 40 vivendas de promoción pública destinada a alugueiro sen dereito a compra para mozos de menos de 35 anos. A crise non pode seguir empregándose como xustificación para a privatización do solo público Se algo necesita a nosa cidade é favorecer operacións coma a que estaba prevista para impulsar o acceso a vivenda de calidade a prezos razoables para reducir a especulación urbanística e para loitar contra a expulsión da xente nova do noso casco histórico ante a presión do capital especulativo e a falta de control na explotación excesiva polos usos hosteleiros. A crise non pode seguir empregándose como xustificación para a privatización do solo público. E menos nesta cidade, que leva sufrindo tres anos de privatización do seu espazo público con ordenanzas coma a de terrazas, que permite a ocupación particular de boa parte das rúas de uso peonil e outros intentos de cambios urbanísticos para beneficiar a propiedade privada, como foi o da Finca do Espiño, no que o alcalde condenado por fraude, Gerardo Conde Roa, pretendía cambiar o uso previsto de xeriátrico por vivendas privadas nunha posición privilexiada, do cal parece ter aprendido o alcalde actual Agustín Hernández. Faise imprescindible recuperar por parte da cidadanía o control político das institucións para facilitar o acceso a vivenda e o mantemento dunha cidade viva e cohesionada e que protexa os dereitos fundamentais dos seus veciños Está moi claro que non podemos esperar políticas de vivenda positivas destes gobernos, pero é inadmisible que se derrube unha das poucas accións positivas previstas a favor do acceso a vivenda por parte da xuventude con argumentos que só agachan unha redución do número de vivendas públicas e beneficiar o promotor privado que poida vender dentro de tres anos vivenda libre nun entorno privilexiado. Decisión que se suma á tomada para derrubar a Casa da Xuventude, tamén no centro histórico e que despois de trinta anos de xestión pola Xunta, cando o Concello recibe a propiedade, decide derrubala, acabando cun edificio de 1.600 m2 destinado a usos socio culturais e para a xente nova. Faise imprescindible recuperar por parte da cidadanía o control político das institucións para facilitar o acceso a vivenda e o mantemento dunha cidade viva e cohesionada e que protexa os dereitos fundamentais dos seus veciños, especialmente os dos que o teñen mais difícil, coma a xente nova. |
NOS_9616 | O BNG solicitou ao vicepresidente e comisario da Competencia da Comisión Europea, Joaquín Almunia, que «calquera que for o novo modelo de incentivos para o sector naval terá de garantir que os estaleiros galegos puideren competir en igualdade de condicións cos de calquera outro Estado membro da UE», | A eurodeputada nacionalista, Ana Miranda transladou ao comisario Almunia, nunha reunión que tivo lugar na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo, a necesidade de atopar unha solución para o naval galego, un sector estratéxico para o País. Miranda transmitiu ao responsábel de Competencia a «necesidade» de dar «unha resposta urxente» ao sector naval «que está en situación crítica», ao que Almunia respondeu que unha vez que o Goberno español presente a proposta definitiva, -até agora non existen máis que consultas previas-, a Comisión está en disposición de poder emitir unha valoración inmediata en menos dun mes. Neste sentido, ficou confirmado que o Goberno central non fixo chegar un texto definitivo para submeter ao criterio da Dirección Xeral da Competencia. Tras a reunión co comisario Almunia, o BNG conclúe que a Comisión suxire como alternativa ao tax-lease o modelo francés, co argumento de que ese modelo xa foi analizado e ten a garantía de que cumpre coas normas comunitarias en materia de competencia. Sen entrar a valorar porcentaxes, adiantou que o futuro sistema de incentivos deberá estar vinculados aos beneficios das empresas. Miranda tamén abordou con Almunia o expediente apresentado contra o Estado español que paralizou a aplicación do tax-lease e, como consecuencia, freou a formalización de novos contratos de construción de buques. A eurodeputada nacionalista explicitou ante o comisario que «en ningún caso o sector pode asumir ningún tipo de sanción, posto que se limitou a facer uso dun sistema de bonificacións fiscais aprobado polo Goberno central», alegou a deputada. |
NOS_19248 | As plataformas contrarias ás portaxes chaman á desobediencia civil contra este imposto indirecto, e reivindican que os cartos recadados na rede viaria catalana se reinvirtan neste país | A segunda convocatoria da campaña #novullpagar, contra o re-pagamento das portaxes en Catalunya, voltou ser un éxito. Difundida a través das redes sociais este domingo ao medio día, pouco tempo despois a información do tráfico daba conta xa de atascos de até catro quilómetros nalgunhas peaxes. As reivindicacións queren denunciar o que denominan un imposto indirecto e a nula inversión estatal no país catalán. Así, ERC, SI, Reagrupament, CUP e as plataformas contrarias ao pagamento das portaxes de autopista --No vull pagar e Prou Peatges-- fixeron unha chamada á desobediencia civil. No nome de todas as formacións citadas falou Alfred Bosch despois de pasar na peaxe de Vilassar de Mar --sen pagar-- en dirección a Barcelona, e destacou que a convocatoria ten o mesmo valor que as consultas soberanistas e a insubmisión fiscal "porque calquera desafío ás desigualdades é válido". Ao tempo, reivindicou que os cartos recadados na rede viaria catalana debe ficar en Catalunya. |
NOS_56702 | Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto. | Actualizar 🔴 [EN DIRECTO] 21.37 | A UE xustifica a prohibición de partidos da oposición en Ucraína Calquera medida que as autoridades lexítimas ucraínas tomen é para preservar a vida dos cidadáns e combater a agresión, sinalou Peter Stano, portavoz comunitario de Exteriores da UE. Nunha rolda de prensa, Stano rexeitou a crítica á prohibición de partidos da oposición en Ucraína e, ademais, afirmou que "non é o momento apropiado" para que Bruxelas denuncie os pasos dados por Kiev. Stano foi un paso máis aló, vinculando as críticas ao Executivo de Vladimir Zelenski á propaganda rusa. "Tratar de dar a imaxe de Ucraína como un país non democrático e no que os dereitos dos seus cidadáns se limitan é basicamente facerse eco da propaganda rusa de que é un país dirixido por nazis, por extremistas e onde hai violacións de dereitos sistemáticas. Non hai nada diso", resolveu. 21.15 | "Cando suspenderon o servizo militar obrigatorio deixaron aberta a porta a reinstauralo" Miguel Anxo Abraira, que pasou polo cárcere tras oporse a prestar o servizo militar obrigatorio, conversa con Nós Diario sobre o 'Manual de obxección de conciencia' que impulsa o colectivo Berro Seco, do que forma parte, para explicar á mocidade a importancia deste procedemento para evitar unha chamada 'a filas' do Exército, nun momento de "escalada" en Ucraína e o norte de África. Miguel Anxo Abraira: "Cando suspenderon a 'mili' deixaron aberta a porta a reinstaurala" 19.28 | A Xunta activa a Risga para os refuxiados ucraínos, que cifra en 800 Aliás, activaranse un dispositivo de atención psicolóxica e programas de orientación e adaptación curricular que axuden o alumnado ucraíno a integrarse cando antes na educación galega. A Xunta activa a Risga para os refuxiados ucraínos, que cifra en 800 17.35 | A ONU pide pór fin ás hostilidades "polo ben das crianzas"A representante especial de Nacións Unidas para Nenos e Conflitos Armados, Virginia Gamba, instou esta terza feira as partes enfrontadas en Ucraína a "acharen unha base común para unha resolución pacífica do conflito" e pór fin así ás hostilidades "polo ben dos nenos ucraínos".16.10 | Zelenski pide unha reunión con Putin O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, manifestou recentemente a súa vontade de reunirse co seu homólogo ruso, Vladimir Putin, e asegurou estar disposto a falar "sobre os territorios ocupados" de Crimea e o Donbás. Porén, recoñeceu que "non será posíbel a fin da guerra" sen unha reunión "en calquera formato" con Putin. 13.23 | Nacións Unidas contabiliza máis de 3,5 millóns de persoas refuxiadas de Ucraína A Organización das Nacións Unidas (ONU) contabliza 3,53 millóns de persoas refuxiadas desde o comezo da guerra en Ucraína. Deles, 2,1 millóns fixérono cruzando a fronteira con Polonia; 542.000 a de Romanía; 367.000 a da República de Moldova; 317.000 a de Hungría; e 250.000 a de Eslovaquia. 12.11 | O Exército ucraíno pide á poboación belarusa que se una á guerra contra Rusia Varios soldados do Exército ucraíno gravaron un vídeo no que instan a poboación de Belarús a que apoien o pobo ucraíno e se unan á loita contra Rusia. No vídeo, cualifican de "invasores nazis" os soldados rusos, e conclúen asegurando que "vencerán". 🇺🇦🇧🇾 Las Fuerzas Armadas de Ucrania han publicado un video en el que se realiza un llamamiento a la población de Belarús para les "ayuden a para la guerra" y señalan que las tropas rusas han llegado a Ucrania desde su territorio. pic.twitter.com/WrN1PeBXRY— Descifrando la Guerra (@descifraguerra) March 21, 2022 10.32 | As autoridades de Donetsk denuncian un ataque con mísiles a Makeevka, no Donbás As autoridades da autoproclamada República Popular de Donetsk denunciaron que na mañá desta terza feira o Exército ucraíno lanzou un atque militar con mísiles contra a cidade de Makeevka, situada no Donbás. 8.08 | Biden acusa Putin de querer empregar armas biolóxicas e químicas en Ucraína O presidente dos Estados Unidos (EUA), Joe Biden, acusou o seu homólogo ruso, Vladimir Putin, de querer empregar armas químicas e biolóxicas contra a poboación civil de Ucraína. As palabras do dirixente estadounidense chegan como resposta á petición conxunta de Rusia e China para que os EUA expliquen publicamente que traballos se estaban a levar a cabo nas "instalacións de investigación biolóxica" que os rusos capturaron en solo ucraíno hai dúas semanas. |
NOS_21778 | Medio Rural rexeitou encontrarse con representantes hortofrotícolas e municipais. | Esta cuarta feira (21 de outubro) a Consellaría de Medio Rural axendou un encontro para abordar a praga de avespa velutina que atinxe o país. A xuntanza foi solicitada por carta o 8 de outubro através da Asociación Galega de Apicultura (AGA) porén, a demanda xurdiu do encontro desenvolvido no Concello de San Sadurniño o 28 de agosto no que se constituú unha plataforma social arredor desta problemática. O colectivo está conformado por 40 municipios e representantes de todos os sectores afectados entre os que se atopan, para alén do apícola, o madeireiro ou o hortofrotícola. Desde AGA notificaron a Medio Rural que ao encontro acudirían o seu secretario técnico, Xesús Asorey xunto con 5 delegados máis de AGA. Aliás, tamén asistirían representantes municipais de Ferrol, Neda, Ortigueira, Carballo, As Pontes, Ribadeo, Ourol, Ames e San Sadurniño e diversas persoas en nome da Asociación da Froita Autóctona do Eume e da Asociación Agroecolóxica A Cortiña. No entanto, desde a Xunta responderon que á reunión, á que estaban chamadas entidades apícolas de todo o país, só poderían asistir 2 persoas da AGA, cuestión que lles foi confirmada esta cuarta feira ás portas de San Caetano antes de dar comezo a reunión. Un "portazo nos fuciños" Desde a plataforma consideran a decisión do goberno galego un "mal comezo" e achan que supón un "portazo nos fuciños" co que a Xunta "obvia a mantenta a participación municipal e doutros sectores afectados nun debate tan trascendental" que exixe, din, dunha "solución tan urxente". "Malia tratarse dunha competencia autonómica, somos os concellos, os apicultores e outras entidades quen estamos asumindo directamente e cos nosos propios recursos boa parte dunha guerra que polo de agora parecen estar ganando as avespas", sinalan nun comunicado ao que deron lectura concentrados perante os edificios da Xunta en San Caetano. "A praga alcanzou xa tal dimensión que a Xunta se ve desbordada para porlle freo sequera", acrecentan. Neste senso, apuntan, "todos e todas nós -concellos, AGA, sector forestal e agrícola- mostramos nas últimas semanas vontade de axudar achegando ideas e propostas que se condensaron nun programa de actuación que avoga pola colaboración, a investigación e a coordinación efectiva de todos os recursos dispoñibles. Cuestións de sentido común que queremos que se teñan en conta, posto que quen hoxe acudimos a Santiago e non puidemos participar na xuntanza con Medio Rural vivimos o problema todos os días e acumulamos unha experiencia que debe terse en conta". As entidades representadas na plataforma sinalan que manteñen "a man tendida" e instan a Xunta a "reconsiderar" a súa postura para os recibir "sen exclusións". |
NOS_34983 | A vontade de situar o PSdeG como alternativa ao Partido Popular mandou na sesión de clausura do XIV congreso dos socialistas galegos. Após comezar a xornada elixindo en urna os novos órganos de dirección da formación, o novo secretario xeral, Valentín González Formoso, e o líder do PSOE, Pedro Sánchez, fixaron os retos da organización para os próximos anos. As eleccións locais de 2019 están chamadas a ser a primeira gran proba para o equipo de González Formoso, apoiado por máis de 80% das delegadas e delegados presentes no conclave. | O PSdeG quere demostrar que está de volta e así se explican os discursos de Valentín González Formoso e Pedro Sánchez. O novo secretario xeral dos socialistas comezou a súa intervención agradecendo a Sánchez a súa xestión da pandemia e a resposta do Goberno do Estado á emerxencia sanitaria e económica. No mesmo sentido, tivo un recoñecemento para a xestión á fronte da Xunta da Galiza de Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño, presentes no conclave e que na xornada de onte amosaron o seu total "apoio e lealdade" ao novo responsábel dos socialistas galegos. Nesta liña, Formoso lamentou que o período destes á cabeza do Goberno da Galiza "fora tan breve" e destacou a súa achega á mellora da calidade de vida das persoas. Formoso estreouse como secretario xeral ofrecendo "tres grandes acordos" a populares e nacionalistas. O primeiro, centrado na "innovación e transformación dixital, dirixida a crear na Galiza un entorno innovador que favoreza o asentamento de empresas e proxectos". O segundo, destinado a impulsar "a economía e a industria deste país", concretado, particularmente, "no mantemento da actividade industrial en Alcoa de San Cibrao" e na "reindustrialización de Ferrolterra". O terceiro pensado "para defender os servizos públicos" e, moi especialmente, os servizos de Atención Primaria onde "as listas de agarda xa superan nalgún caso os 15 días" e "a asistencia continúa a ser telefónica". Tócanos construír un proxecto para as eleccións municipais de 2023 para continuar potenciando desde os concellos e as deputacións a Galiza O secretario xeral dos socialistas galegos sabe da importancia das eleccións locais e da súa transcendencia para o seu liderado. Así, non deixou pasar a oportunidade para lémbralles aos seus que "tócanos construír un proxecto para as eleccións municipais de 2023 para continuar potenciando desde os concellos e as deputacións á Galiza que avanza tanto nos que xa teñen Gobernos socialistas como naqueles nos que temos que traballar arreo para que cheguen". Nesta liña, vinculou os resultados dos comicios locais e dos galegos, sinalando que "seremos capaces de recibir a confianza maioritaria dos galegos nas próximas eleccións municipais e despois nas autonómicas porque o PSdeG entende a Galiza e sente este país". "Imos gobernar a Xunta" Pedro Sánchez quixo estar presente no congreso dos socialistas galegos para deixar patente o seu apoio a Formoso e insuflar ánimo a unha formación aínda moi tocada polos resultados das eleccións galegas. A este respecto, afirmou que "se a historia non se pode entender sen a achega do PSdeG, tampouco o presente e o futuro vai poder entenderse sen a achega do PSdeG". "Gobernamos España e pronto, Valentín, imos gobernar a Xunta da Galiza", declarou Sánchez, quen lembrou o importante poder local que atesouran os socialistas no país, exemplificado no "Goberno de tres das catro deputacións e das principais cidades da Galiza". O presidente do Goberno do Estado quixo destacar a aposta do seu Executivo pola Galiza. Así, salientou que "por cifras, simplemente dígolles aos galegos e galegas que se comparamos os catro anos que levamos á fronte do Goberno os socialistas cos últimos catro de Mariano Raxoi, este Goberno vai transferir 27% máis de recursos en catro anos do que fixo Mariano Raxoi". "Hai 1.070 millóns de euros de investimentos públicos, o 29% máis que o ano pasado. Nas entregas a conta hai máis de 8.000 millóns de euros que o Estado vai transferir á Xunta", aseverou Sánchez, interesado en desmontar as criticas do PP e BNG ao seu Executivo pola ausencia de compromiso inversor na Galiza. Sánchez non aforrou eloxios a González Formoso. Neste sentido, destacou o seu estreo como líder dos socialistas galegos "ofrecendo acordos" fronte a unha dereita que a nivel estatal trata de "debuxar unha España ao seu xeito: triste, sen ideas e en quebra". Nesta liña apuntou, que "eu non quero unha España pequena e gris como quere a dereita. Eu quero unha España con todas as súas linguas e identidades" e amosouse "convencido de que a socialdemocracia é máis necesaria que nunca, porque supón falar dunha recuperación económica xusta. Se a historia non se pode entender sen a achega do PSdeG, tampouco o presente e o futuro vai poder entenderse sen a achega do PSdeG A nova dirección socialista foi amplamente apoiada polos delegados malia as queixas do sector de Gonzalo Caballero. Así, o Comité Nacional, o máximo órgano do partido entre congresos, formado por perto de 400 persoas, recibiu o voto favorábel de 82,4% dos presentes, non recibindo ningún voto en contra. Pola súa banda, a Executiva Nacional contou con 343 sufraxios a favor, 78 abstencións e 3 nulos, sumando unha porcentaxe de votos afirmativos de 81,47%. Neste sentido, fontes da nova dirección socialista consultadas por Nós Diario destacaron que "o apoio á nosa proposta desde as primarias ampliouse en máis de 20 puntos, pois naquel momento logramos 58% dos votos e hoxe nas votación estivemos por riba de 80%". A composición da Executiva Nacional atende a xeografía dos apoios recibidos por González Formoso e aos principais retos políticos da formación, onde as eleccións locais de 2023 ocupan un papel de relevo. Así, enténdese a numerosa presenza de alcaldes e responsábeis gobernamentais, que desde a nova dirección explican como "a concreción do compromiso de Valentín González Formoso de dar un peso central ao municipalismo nos órganos de dirección do partido". O novo organismo de dirección executivo do PSdeG configura no seu interior unha área municipal, fixando diversas responsabilidades atendendo á dimensión dos concellos. A mesma está dirixida polo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e dela tamén fan parte o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, como responsábel de concellos de menos 20.000 habitantes, o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, como responsábel de concellos de menos 15.000 habitantes, a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, como responsábel de concellos de menos 10.000 habitantes, e o alcalde de Cariño José Miguel Alonso. |
NOS_6218 | Nun país con 236.981 persoas desempregadas optar a un posto de traballo é o anceio de moitas. Os dados apuntan a creación de emprego mais, que condicións laborais están a asentarse após o estourido da crise? | "Polo menos tes traballo". Esta pode ser unha das frases máis escoitadas nos últimos anos. Repítese acotío entre as familias galegas nun contexto no que cada vez máis fogares teñen todas as persoas que os integran no desemprego. Porén, as cifras de paro rexistrado que mensalmente publica o Ministerio de Traballo español apuntan un descenso no número de desempregadas. Un feito que serve ao goberno de Alberto Núñez Feijóo para defender o discurso da "recuperación económica" e a "creación de emprego". As cifras están aí e semella aguantareno todo. Porén, a pé de rúa reflíctese unha realidade ben distinta que tamén recollen as estatísticas oficiais. Da man de Lucía (pseudónimo) traballadora precaria na hostelaría; Miguel Malvido, secretario confederal de emprego da CIG e do último informe sobre pobreza laboral editado por CC.OO avaliamos as condicións de traballo que se están a xeralizan e asentar na Galiza. Recuperación? Crecemento? Podes ler a íntegra desta reportaxe, unha dupla páxina, no número 149 do semanario en papel. Á venda nos pontos de venda habitual e na nosa loxa. Imaxe capa: Malglam / Flickr |
NOS_43793 | A maioría enquisada polo CIS demanda máis información do Goberno español sobre a COVID-19 | O barómetro de abril realizado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) é o primeiro que se publica con preguntas realizadas desde o estoupido da crise do coronavirus. Precisamente, a emerxencia sanitaria supón un freo na tendencia á alza que viña rexistrando o PSOE en anteriores entregas do CIS. En estimación de voto, o Partido Socialista continúa a ser a primeira forza en apoios e figura este mes en 31,2%, sete décimas por baixo do seu dato de marzo, mais aínda así, segue tres puntos por encima de 28%, porcentaxe de voto que obtivo nas últimas eleccións xerais, realizadas o 10 de novembro. O Partido Popular aparece agora cun respaldo de 21,1%, algo mellor que nas xerais do 10-N e un punto e medio por encima do resultado que o CIS lle deu hai un mes. Unidas Podemos mantense practicamente igual, cun lixeiro descenso, pasando de 12,84 que colleitou nas urnas de novembro a 12% neste mes de abril. O Bloque Nacionalista Galego mantense cunha estimación de voto de 0,5 %, igualando deste modo o resultado co que recuperou presenza no Congreso nos comicios do 10-N. Sobre as medidas adoptadas polo Executivo estatal con motivo da crise da COVID-19, 24,7% das persoas enquisadas cren que son necesarias e 72,6% cualifícaas de moi necesarias. 58,3% das entrevistadas sostén que coas accións emprendidas até o de agora serían suficientes para tratar de frear a expansión do virus, mentres que 39,1% demanda que se adopten iniciativas máis estritas de illamento social. Información da COVID-19 Á pregunta "cre vostede que a información que está a dar o Goberno sobre a COVID-19 é suficiente ou gustaríalle a vostede ter máis información?", máis da metade das persoas enquisadas (54,5%) asegura que lles gustaría dispor de maior información por parte do Executivo. 43,4% manifesta dispor de datos suficientes. O estudo do CIS inclúe no seu cuestionario unha pregunta para saber se, para evitar noticias falsas, a cidadanía aceptaría a posibilidade de que se controlase ou restrinxise a información e que a única fonte da mesma fose o Goberno. Dúas de cada tres persoas do Estado cren que habería que restrinxir e controlar as informacións estabelecendo unha única fonte de información, fronte a 30,8% que opina o contrario. Varias forzas políticas criticaron que o CIS incluíse esta pregunta ao considerar que pon en perigo a liberdade de expresión. |
NOS_37089 | Despois de renunciar a ocupar a Secretaría Xeral de Podemos Galicia após ser proposta por Pablo Iglesias para o cargo, Carolina Bescansa (Compostela, 1971) deu o paso adiante e aspira a liderar na Galiza a formación política da que é fundadora. A tamén deputada de Podemos no Congreso admite sentirse ilusionada e convida as persoas inscritas a participar das votacións. Eis un extracto da entrevista publicada no número 319 de Sermos Galiza. | Por que decide presentar a súa candidatura á Secretaría Xeral de Podemos na Galiza? É unha honra para min ter recibido a petición de tantísimas persoas en Podemos que me animaron a dar o paso. Sentindo que había tanta xente que pensaba que eu podía axudar ao proceso político de cambio na Galiza, decidín asumir esta responsabilidade e liderar unha candidatura para dirixir Podemos Galicia. Carmen Santos ten afirmado que a Secretaría Xeral de Podemos require un grande traballo interno. É posíbel realizar esta tarefa desde Madrid? Non, claro. Por suposto que non é posíbel afrontar os retos de Galiza desde Madrid e penso que a ninguén se lle escapa que vou estar na Galiza, que vou traballar alí e que é perfectamente compatíbel con seguir asumindo as miñas responsabilidades no Congreso, e penso que pode ser moi útil para Galiza. No caso de saír elixida incorporarase ao grupo confederal de En Marea? Eu xa falei coa meirande parte dos membros do grupo confederal de En Marea, como é normal, no momento en que decidín dar este paso, tamén coa meirande parte dos voceiros das forzas aliadas, tamén como é normal, penso, e non sei se desde o punto de vista xurídico e regulamentario é posíbel a incorporación ao grupo de En Marea mais estou segura de que é posíbel artellar unha dinámica colaborativa e vou estar traballando con eles desde o minuto un se resulto elixida. [Podes ler a entrevista íntegra no número 318 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_45184 | O cadro de persoal da Rede galega de quiosques non percibe salario desde decembro de 2014. Todas as persoas afectadas polo desmantelamento da empresa apresentan enfermidades crónicas e/ou diversidade funcional. | Peregrina ten 51 anos. Tivo un ictus --infarto cerebral-- "hai 15 anos". Aliás, é doente de EPOC, unha enfermidade respiratoria crónica, que require, entre outros medicamentos, "un inhalador que me custa máis de 60 euros". Para alén disto, Peregrina é unha das 95 persoas que traballan na Rede galega de quiosques (Regaki). A empresa adebédalle, xunto @s compañeir@s, tres meses de salario e a paga extraordinaria de Nadal. Esta situación aboca a familia de Peregrina a vivir do soldo do seu compañeiro "728 euros ao mes". Con el afrontan o pagamento dun préstamo que lles supón "300 euros mensais" e os gastos de "luz, auga, medicación, comida, vestirnos e calzar". Teñen un fillo estudante de 24 anos. Despedimentos improcedentes e impagos Os impagos que padece o cadro de persoal son o resultado do "desmantelamento" da empresa. Un conflito que atinxe --para alén de Regaki-- a Cogami e a Galega de Economía Social (GES), entidades responsábeis da xestión dos quiosques, segundo denuncian as traballadoras e as organizacións sindicais (CIG e CC.OO). "Denunciamos perante Inspección de traballo que non estaban a pagar as nóminas mais di que ten que ser o xulgado quen resolva o conflito" Os problemas veñen de lonxe. Comezaron no 2013 cando Regaki despediu "máis de 20 persoas [29] ás que acusou de roubo", explica Carmiña Naveira da CIG. "A maioría deses despedimentos foron declarados xudicialmente como improcedentes" mais o cadro de persoal comezou a "sospeitar", sinala, que a entidade "non quería pagar as indemnizacións". A partir de aí, "enterámonos pola imprensa que presentaran un concurso voluntario de acredores e un ERE extintivo". Deixan de pagar a luz, os salarios e inician o fechamento dalgúns quiosques, embora a maior parte mantérense activos a día de hoxe. "Denunciamos perante Inspección de traballo que non estaban a pagar as nóminas", sinala Naveras, mais Inspección apuntou que "ten que ser o xulgado quen resolva o conflito" tendo en conta o concurso de acredores. A Xunta lava as mans Entrementres, Regaki, Cogami e GES mantiveron as axudas públicas que reciben en aras do proxecto de integración laboral que representan. Fondos públicos que ascenderon o pasado ano a "480 mil euros para manter abertos os centros especiais de emprego", os quiosques, lembra Carmiña Naveiras. "Están a utilizar o concurso [de acredores] para eludir o pagamento das indemnizacións e dos salarios adebedados" Neste senso, desde o cadro de persoal, CIG e CC.OO exixen "responsabildiades" á Xunta de Galiza e, no concreto, á Consellaría de Traballo e Benestar. Solicitaron reunírense con "Beatriz Mato e o presidente da Xunta" mais "non contestaron" polo que o goberno "elude a súa responsabilidade, igual que Cogami", apunta. "Din que Regaki non pertence a Galega de Economía Social" mais "eran Anxo Queiruga [Cogami] e Sestayo Lestón [GES] quen dirixían a Rede galega de quiosques". Para a central sindical nacionalista, "están a utilizar o concurso [de acredores] para eludir o pagamento das indemnizacións e dos salarios adebedados" nun conflito laboral que atinxen, lembran, a un grupo de atención prioritaria, "persoas con discapacidade e doenzas crónicas" que "adebedan cartos da medicación, están a padecer cortes de luz por impago e, algunhas mesmo tiveron que volver a casa dos pais", explica Naveiras. Elixir entre "comer ou respirar" Eis o caso de Peregrina. Co salario do seu compañeiro (728 euros), "teño que elixir entre comer ou respirar", di esta doente de EPOC que adebeda na farmacia o custe da súa medicación desde xaneiro. "Pasamos ese mes con 20 euros e febreiro con 30", afirma. "Isto é moi duro" e os folgos van decaendo. "Non nos merecemos isto". No albo das súas demandas está "unha solución" e a implicación da propia Xunta de Galiza na resolución do conflito con Cogami e GES. "Imos demostrar que se trata dun grupo de empresas". Carmiña Naveiras mesmo apunta cara á unha posíbel "apropiación indebida" de fondos que deberan ser destinados a garantir o mantemento dos postos de traballo para persoas con discapacidade mais que, de facto, non está a ser así. |
NOS_8567 | Alén das competencias do Estado na taxa de reposición, a Xunta ten da súa man activar mecanismos que aliviarían as listas de agarda na Atención Primaria e que non están a ser postos en marcha. Por exemplo: a ampliación da duración dos contratos ou a creación de novas categorías profesionais. | O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, recoñeceu tanto a existencia de listas de agarda na Atención Primaria do sistema sanitario galego como que neste verán ficaron sen cubrir postos de profesionais por vacacións e xubilacións. Mais lonxe de asumir responsabilidades, culpou o Goberno estatal da problemática. "Nin se nos deixa contratar as prazas que temos vacantes nin se atende á proposta da Galiza para captar máis médicos", remarcou na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo galego, a primeira tras o período estival. Lembrou que a Xunta expuxo eliminar a taxa de reposición e convocar un MIR extraordinario para Medicina de Familia como medidas para paliar a "falta" de profesionais. Con todo, persoal sanitario consultado por este xornal sinala que o MIR extraordinario non solucionaría as listas de agarda, xa que sobrecargaría as e os médicos da Primaria que terían que titorizar as e os residentes, que até dentro de catro anos non estarían en disposición de cubrir prazas. En canto á taxa de reposición, a a pesar de que a súa ampliación é decisión do Goberno estatal, a Xunta ten na súa man paliar a falta de profesionais e as listas de agarda mellorando a contratación no Sergas, ofrecendo contratos estábeis e duradeiros e con mellores condicións, especialmente precarias en Medicina de Familia. "Precisamos máis persoal, máis investimento e máis tempo para ver os pacientes", reclamaban este ano desde a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria. A Xunta tamén pode contratar máis categorías profesionais á parte de médicos de familia, o que axudaría a aliviar as listas de agarda na Atención Primaria, tal e como reivindica SOS Sanidade Pública, que avoga pola contratación de psicólogas clínicas, terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas, logopedas... Son disciplinas que teñen carteira de servizos propia, é dicir, que se podería acceder a elas sen ter que acudir antes a Medicina de Familia. |
NOS_14232 | A área de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra organiza a próxima cuarta feira unha festa literaria na que porá en valor os premios de literatura, xornalismo e investigación que promoven o uso do galego. | "Unha lingua de premio" é o lema co que o Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra convoca a festa literaria que terá lugar esta cuarta feira, 26 de setembro, coincidindo co Día Europeo das Linguas, ás 19.30 horas, no Salón de Plenos do Pazo provincial, para salientar o papel dos premios de literatura, de xornalismo e de investigación que tiveron historicamente na normalización do galego. "Pontevedra vístese de festa porque temos moito que celebrar e festexar e creo que temos unha lingua de premio, mais que moitas veces nos esquece". Así se pronunciaba na presentación da festa Ledicia Costas, encargada de conducir o evento, quen agregaba a importancia de contar con actos que recoñezan o labor creativo no campo da literatura. A música correrá da man da banda Xardín Desordenado, que interpretará poemas musicados. Tamén actuarán as actrices Iria Pinheiro e Ailén Keidelman, que preparán unha peza teatral na que darán cabida as gañadoras e gañadores da edición 2017 dos premios que se convocan nos concellos pontevedreses. Ademais, estará presente o deseño coa ilustradora Paula Pereira, que realizará unha peza de cerámica cun deseño ad hoc para o evento. O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, explica que nesta festa literaria se darán cabida aos premios que emanan de convocatorias de concellos e que en moitos casos contan co apoio da Deputación a través das axudas a programas de dinamización do galego, creadas no presente mandato. Ademais neste aco recoñecerase simbolicamente a traxectoria do Festival da Poesía do Condado e de Manuel Bragado. Relación de premios e concellos Premio de Poesía Johan Carballeira. Concello de Bueu Gañadora: María Reimóndez. Obra: Galicia en bus Premio de Xornalismo Johán Carballeira. Concello de Bueu Gañadoras Ex aqueo María Obelleiro Hermida por O apartheid sanitario na Galiza, publicado en Sermos Galiza. Montse Dopico pola reportaxe Galaxia vs Galaxia. A construción de hexemonía cultural. Premio Matilde Bares de relatos de igualdade. Concello de Bueu Deserto na convocatoria 2017 Premio de Teatro Romaría ViKinga. Concello de Catoira Gañadora: Carla Villanustre. Obra: Eternidade Premio de Relato Breve Nélida Piñón. Concello Cerdedo-Cotobade Gañador: Daniel Asorey. Obra: Anatema (fallado en 2018) Premio de investigación en Humanidades e Ciencias sociais 'Olimpio Arca'. Concello de Cuntis Gañador. Xosé Fuentes Alende. Obra: Os exvotos na relixiosidade popular galega. Premio de novela Manuel García Barros. Concello da Estrada Gañador: Marcos Calveiro. Obra: O xardineiro dos ingleses. Premio de poesía Avelina Valladares. Concello da Estrada Gañadora: Carmen Caramés. Obra: As idades perdidas. Premio de Teatro MOME Varela Buxán. Concello da Estrada Gañadora: Fernando Castro Paredes. Obra: Pallaso Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela. A Estrada Gañador: Armando Requeixo, polos artigos: "Rosalía voa alto", "Palabras para o Alén", "Lingua Zombi", "Cando iso non pode pasar aquí" e "De rosas e letras". Premio de poesía Manuel Lueiro Rey. Concello de Fornelos de Montes Gañador: Antón Lopo. Obra: Corpo Premio xornalístico Manuel Lueiro Rey. Concello de Fornelos de Montes Gañador: Xoán Carlos Domínguez Alberte, polo artigo O segredo mellor gardado. Certame de Relato Curto FANPA de Pontevedra Categoría Primaria: Nuria Costas Misa. Un gran cambio. Categoría Secundaria: Olalla Castrillo Sánchez. Xiros de luz. Categoría BAC: Paula Estévez Casales. Báratro. Categoría adultos: Sergio Meis Casalderrey. Verbas esquecidas. Certame 'Balbino' de relato curto. Concello de Vila de Cruces Gañador: Ricardo Cid. Obra: De que falarán as árbores. Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo. Concello de Valga Gañador: Rafael Quintía. Obra: Ritualista protectora, obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular galega Gañadora: Natalia Sueiro Monje. Obra: A veiga máxica. Rescate da cosmovisión popular no municipio de Valga. Premio Viadutos de Novela. Concello de Redondela Gañadora: Ana R. Figueiredo. Obra: Os bicos Feridos (fallado en 2018) Premio Lueiro Rey de Novela Curta. Concello do Grove Gañador: Lionel Rexes. Obra: A raíña das velutinas. |
NOS_39838 | Os equipos galegos da Liga Endesa de baloncesto comezan con forza o mes. Este marzo, ademais doutros encontros, tocará derbi galego en Compostela. | A liga Endesa de baloncesto volta á competición esta semana após o parón pola disputa da Copa do Rei e os compromisos da Federación Internacional de Baloncesto (FIBA). Os equipos galegos xa contan con varios compromisos e confirmadas as datas de varios encontros. O retorno do Río Breogán producirase por partida dobre, xa que o conxunto de Lugo disputará dous encontros, ambos a domicilio, esta semana. O primeiro será a sexta feira ás 20 horas coa visitará ao Joventut de Badalona e menos de 48 horas despois, o domingo ás 17 horas, xogarán diante o Andorra no Principado. O novo adestrador do Breogán, Veljko Mrsic, non poderá contar até hoxe con Dzanan Musa, Trae Bell- Haynes e Jordan Sakho por ter compromisos coas súas seleccións, algo que non evitará o intenso traballo que levará o equipo para preparar eses dous encontros e o intenso mes que lle agarda despois, no que terá que recuperar os dous partidos que aínda ten pendentes ao ser aprazados no seu día, diante o Joventut e o Murcia. En marzo, o conxunto que dirixe o croata disputará seis partidos dos que só dous, diante o Bilbao Basket e o Obradoiro, terán como escenario o Pazo dous Deportes de Lugo. O resto de encontros da próxima fin de semana terá que xogalos en Gasteiz e Murcia. Para o Río Breogán son momentos decisivos ao partir agora mesmo da novena posición na clasificación con dez triunfos e nove derrotas. Inicio complicado para o Monbus Obradoiro O Monbus Obradoiro, pola súa parte, voltará á competición este domingo no Santiago Martín ás 13 horas. A cancha do Lenovo Tenerife non lle deu moi bos resultados nos últimos partidos. As últimas nove visitas contabilizáronse con derrotas para o equipo da capital da Galiza. Ademais, este será o primeiro encontro en que o equipo canario (sexto na táboa con 11 triunfos fronte a 7 do Obradoiro) contará cunha boa entrada e o apoio da súa afección ao caer todas as restricións de ocupación que se impuxeron en todo o que levamos de pandemia. Os seguintes encontros en marzo serán contra o Bitci Baskonia, o Unicaja Málaga e o agardado derbi galego diante o Breogán, o sábado 26 de marzo ás 18 horas. |
NOS_27181 | En marcha a vacinación libre nas sete áreas sanitarias da Galiza, á que se sumará a comunidade universitaria esta segunda e terza feira con puntos específicos nos campus. | Desde primeira hora están abertos á cidadanía os puntos de vacinación masiva das sete áreas sanitarias. Abertos a todas aquelas persoas que desexen recibir a primeira dose da vacina contra a Covid sen necesidade de pedir cita. Unha medida que busca reducir o número de galegos aínda sen inocular, arredor de 200.000, a maioría de entre 20 e 39 anos. De feito, esta iniciativa completarase esta segunda e terza feira, 13 e 14 de setembro, coa apertura de varios puntos de vacinación nos sete campus galegos dirixidos á comunidade universitaria. Área de Ferrol A área sanitaria de Ferrol ofrece un total de 2.000 ocos este sábado, tanto para autocitas como para aquelas persoas que acudan sen cita previa. A vacinación realizarase no FIMO. Ademais, o 13 e 14 de setembro estabelecerase un punto de vacinación na Escola Politécnica Superior no campus de Esteiro, onde poderán acudir tanto estudantes como persoal universitario de calquera ámbito ou grao. Ese punto estará dispoñíbel entre as 09.30 e as 14.30 horas e de 15. 30 a 20.30 horas. Área de Santiago e o Barbanza Na área sanitaria de Santiago habilitaron este sábado 4.000 ocos para primeiras doses na Cidade da Cultura e outros 800 no Hospital do Barbanza. Tamén se inocularán segundas doses a diferentes colectivos no Hospital Clínico de Santiago, onde hai previstas 230 citas. A USC contará cun punto de vacinación específico para a comunidade universitaria os días 13 e 14 no Auditorio Roberto Vidal Bolaño (Campus Vida) de 9 a 20 horas Área de Pontevedra e O Salnés En Pontevedra, hai dispoñíbeis 2.700 ocos de autocita en quendas de mañá e tarde para maiores de 12 anos. Ademais, tamén nas quendas de mañá e tarde, hai prazas habilitadas para a vacinación libre, ao igual que ocorre no recinto feiral de FEXDEGA, en Vilagarcía de Arousa, con 717 ocos de autocita, mañá e tarde, para maiores de 12 anos e con vacinación sen cita ao longo de toda a xornada. A comunidade universitaria poderá acudir esta segunda e terza feira ao espazo habilitado no recinto feiral de Pontevedra -rúa Alexandre Bóveda, s/n-) de 9 a 14.30 horas e de 16 a 21.30 horas. Área da Coruña e Cee No que respecta á área da Coruña, este sábado están citadas en IFECO un total de 3.600 persoas máis sobre a actividade xa programada, que inclúe 6.000 ocos para autocitas e as persoas que acudan a vacinarse sen cita previa. Finalmente, estudantes e persoal asociado á Universidade da Coruña na cidade interesados en vacinarse fronte á Covid poderán achegarse o 13 e o 14 de setembro a este mesmo espazo, Expocoruña, acordado pola súa proximidade ao campus de Elviña. Área de Vigo A área de Vigo, pola súa banda, ten reservadas no IFEVI un total de 9.500 doses, das que 8.000 destinaranse á vacinación libre e as restantes 1.500 a autocitas. Ademais, entre a segunda feira 13 e a terza 14 de setembro, prevén inocular 2.500 doses a persoal docente, investigador, de administración e servizos mais alumnado da Uvigo no Pavillón Universitario das Lagoas, en Marcosende, de xeito ininterrompido de 09 a 20 horas. Área de Lugo, A Mariña e Monforte Este sábado están abertos os tres centros de vacinación masiva de cadanseu distrito para que todo aquel que queira acuda a vacinarse sen necesidade de pedir cita. Tanto no Hospital Universitario Lucus Augusti, como no Hospital Público da Mariña, como no centro de vacinación de Monforte o horario de funcionamento é de 8.30 a 14.30 horas e de 15.30 a 19.00 horas. Ademais, os días 13 e 14 de setembro, estudantes e persoal universitario do campus de Lugo poderá achegarse ao punto de vacinación instalado na facultade de Veterinaria de 10.30 a 13.30 horas e de 15 a 18.30 horas. Área de Ourense, Verín e Valdeorras Estes tres distritos teñen previstas unhas 3.600 doses da vacina contra o coronavirus para administrar esta xornada, con capacidade para superar esta cifra se así o esixe a demanda. Os puntos de referencia para quen vacinarse son o recinto de Expourense, na capital das Burgas, e os hospitais públicos de Verín e O Barco de Valdeorras en cada unha destas localidades. Os tres no mesmo horario ininterrompido, de 9 a 21 horas. Esta mesma franxa horaria quedará activada no Edificio de Ferro, nunha carpa situada na entrada do edificio, nas Lagoas, ao servizo de estudantes e persoal universitario do campus de Ourense esta segunda e terza feira. Persoas inmunodeprimidas Este sábado, ademais, están chamados a se vacinar 400 persoas que recibirán a terceira dose de reforzo contra a Covid-19. Sumaranse así aos xa 50 galegos e galegas que esta sexta feira recibiron a terceira picada nas áreas sanitarias de Vigo, A Coruña e Santiago. |
NOS_18744 | Concentracións da Alianza Social Galega perante as sedes do PP en vilas e cidades denuncian a Lei de Seguranza Cidadá como ferramenta para a represión. Axentes da policía española tentaron impedir que a concentración de Compostela tivese lugar, segundo denuncia a CIG. VÍDEO NO INTERIOR. | Centos de persoas responderon á convocatoria da Alianza Social Galega e na noitiña desta quinta feira concentráronse perante as sedes do Partido Popular para mostrar o rexeitamento á coñecida como 'Lei Mordaza'. 'Non á lei de seguridade cidadá, non á represión da mobilización social' era o lema que resumía nas faixas a denuncia das persoas participantes nos protestos. Estes decorreron nas sete grandes cidades e Burela, Vilagarcía e Ribeira. Na de Compostela, a concentración contou cun forte dispositivo policial, que conminou a que non se fixese diante da sede do PP argumentando cuestións do permiso da propia protesta. "A lei de seguridade mata a liberdade", "Non á censura" ou "Isto pasa por un goberno facha" foron algunhas das consignas. Para a Alianza, a nova lei de seguridade cidadá e a reforma do Código penal evidencian "o seu obsesivo centralismo, os nulos principios democráticos polos que se rexe o PP e a que clase de intereses serve. Mentres actúa con esta dureza contra os movementos sociais, a clase traballadora e a realidade plurinacional do estado, mantén unha actitude de moita permisividade respecto aos delitos económicos que cometen os seus amigos e o capital financeiro". Menos dereitos O PP está provocando, indican no manifesto, coas reformas laborais e sociais e coas súas políticas económicas, "un recorte de dereitos e unha crecente precariedade das condicións de traballo e da calidade de vida das persoas. Ante a contestación social que xeran tales políticas, promove estas reformas para impedir protestas que as poñan en cuestión". Na concentración de Compostela, axentes da policía española tentaron disolver a concentración convocada pola Alianza Social Galega, segundo denunciou através dun vídeo a CIG. |
NOS_45056 | A para-estatal mexicana volve retrasar a decisión sobre a quen adxudicará a construción destes buques. Desta vez, a decembro. En Ferrol e Vigo, mentres, segue a sangría de empregos perdidos no naval. Feijóo, tras meses de promesas de que eses floteis virían para Galiza, cala. | A licitación dos floteis será en decembro. O día 6 ás 11:00 horas. Até novo retraso. Xa van tres adiamentos, por motivos diferentes mais cada un deles deixa un pouquiño máis en evidencia a Núñez Feijóo, quen anunciaba e dera por feito en plena pre-campaña electoral de 2012 que eses barcos ían construírse en estaleiros galegos: un en Vigo e outro en Ferrol. Nesta ocasión, apuntan desde La Voz de Galicia, son as ofertas de Singapur e Noruega as que complican a licitación en beneficio de Galiza. Antes fora o papel que tiña que xogar a propia industria naval mexicana ou ben que o consello de Pemex non tiña coñecemento das operacións en Galiza. O certo é que máis dun ano despois da promesa de Feijóo, non hai flotel para Galiza neste 2013. A situación no naval galego é agónica. Vigo e Ferrol seguen a perder día tras día postos de traballo no naval, directos e inducidos. Sindicatos, comités de empresa,... todos coinciden en que non se pode esperar máis. Afirmárao un operario dun estaleiro nunha mobilización: "Se as mentiras de Feijóo se construísen en estaleiro, teriamos carga de traballo para anos". |
NOS_11406 | A quinta edición do Concurso literario Mazarelos xa ten gañadoras. | Nai, un poema de Miguel Cavadas Docampo, que achega "unha ollada descarada e subversiva cara tanto a maternidade como a identidade de xénero", alcanzou o primeiro premio do V Concurso literario Mazarelos organizado pola Facultade de Filoloxía da universidade compostelá. As gañadoras do segundo e terceiro premio foron María Caíña Hurtado e Paula Marina García Pardavila. María Caíña foi distinguida cun segundo premio por Dous gatos a discutir a autenticidade do rato, composición da que o xurado destacou a súa "orixinalidade, sobre todo formal, así como a súa vontade de crítica social a través do xogo metapoético". Formas de determinación é o título do poema de García Pardavila, do que o xurado salienta "a súa ollada potente cara ao mundo, que logra poemas e imaxes suxestivas, evocadoras, alén de fiar un discurso co combina o cotián co filosófico". O xurado do V Premio Mazarelos da USC foi composto polas escritoras Inma López Silva e Estíbaliz Espinosa Río, as profesoras María Teresa Amado Rodríguez e Ramón Mariño Paz mais a gañadora da pasada edición, Arancha Rodríguez Fernández. Os premios do certame están dotados con 700, 400 e 200 euros e un diploma honorífico e na presente edición concorreron un total de trinta e seis obras. A USC, a través do Servizo de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía, promove este premio coa intención de "fomentar a creatividade da mocidade universitaria e de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como a contribuír a descubrir potenciais figuras da literatura na nosa lingua". O Concurso literario Mazarelos conta co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza. |
NOS_44927 | Logo de deixar atrás un período complexo, A abertura da boca fecha unha etapa na poesía de Carlos Callón. Centrado agora na cidade de Lisboa e no xénero ensaístico, o escritor vén de presentar en Compostela o seu último libro de poemas. | Como xorde A abertura da boca? Eu o que máis escribo é ensaio e poesía. A resposta que rematei por darme a min mesmo de por que escribo estes dous xéneros é que é un xeito de achegarme á verdade. No caso dos ensaios procurando exactitude e no caso da poesía tentando dar palabras a aquelas partes da vida para as cales a linguaxe non chega. A única forma de tentar facer iso é a través do xénero poético. Eu vou escribindo poemas e non sei se finalmente van dar nun libro ou non. Cando relín os que levaba escrito durante unha etapa e posteriormente, cando apareceu o título, A abertura da boca, foi cando decidín darlles vida como libro. Que temas aborda? Tiña xa unha serie de poemas escritos, mais sempre hai unha peneira desde que o escribes ata que o publicas. Atopei nunha exposición información sobre o ritual da abertura da boca. Trátase dun proceso polo cal, tras a morte dunha persoa no Antigo Exipto, facían que unha momia estivese preparada para recuperar as funcións de falar, ollar, respirar..., para que volvese á vida e desmomificar. De volta á casa xurdiu un poema e, ao escribilo, pareceume a metáfora perfecta do que era o proceso de saída da depresión. Reparei en que, con estes versos, o que procuraba eu, metaforicamente, era abrir a boca, e xustamente coincidía co feito de que abrir a boca é falar, escribir... Vin que ese era o elemento que unificaba todos os textos que levaba escritos. Emprega entón o ritual como fío condutor para canalizar o que sentía nese momento, non é? Si. Nos tres libros de poesía que publiquei uno o eu lírico co autor, non fago ningún xogo de camuflaxe, a pesar de que é certo que, como dicía Pessoa, o poeta é un finxidor. Eu falo aquí das miñas vivencias, das miñas dores, das miñas ilusións... pero tampouco teñen que aparecer no sentido empírico ou anecdótico, senón que moitas veces son soños ou fantasías. De feito, hai un pequeno poema que é integramente un soño, no sentido de que son as palabras que me dixo un familiar nun soño meu. Anotei as palabras á mañá seguinte e é curioso, porque aínda que o soño é meu, sinto como se estivese plaxiando o meu inconsciente. O que quero dicir con isto, en realidade, é que aí estou eu aínda que non estea sempre anecdoticamente a miña vida. É un libro que se achega, dalgún modo, á cuestión da saúde mental? A primeira versión deste libro xa estaba rematada antes do comezo da pandemia. Ía ter outro título e ía ser doutro xeito, pero coa súa chegada decidín pospor a publicación e ao final acabou reformulándose. Dubidei se dalo ao prelo ou non e ao final a miña resposta foi que si, que era o momento de falarmos das nosas fraxilidades. Ao igual que a atleta Simone Biles non gaña medallas grazas unicamente ao desempeño deportivo, senón tamén grazas ao recoñecemento das súas limitacións. Eu tamén entendín que este libro podía ser unha pequena contribución para falarmos das nosas fraxilidades nun momento no cal é necesario falar das nosas limitacións e das dificultades da vida. Cal cre que é a situación do panorama poético na Galiza? O panorama é magnífico, o que falta é apoio institucional. É algo descorazonador ver como non podemos mercar nas librarías libros premiados e recoñecidos. Temos que recorrer a determinados espazos e nunhas poucas vilas para conseguir novidades en galego, mesmo libros que son amplamente recoñecidos. É o que máis me desacouga, ver como podemos facer para saltar este cerco. Para iso precisamos do apoio das institucións, sobre todo do Goberno galego, que ten que ser o primeiro en apoiar e impulsar a cultura do país. Tamén os concellos e as deputacións, que non sempre están á altura, e o Goberno español, que ten responsabilidades e que dista de estar á altura. |
NOS_548 | "Non é habitual que nunha crise como esta un goberno reciba un apoio como o que temos obtido" sinalou o presidente en funcións Alberto Núñez Feijóo. Agradeceu á cidadanía a súa segunda maioría absoluta e cualificou o triunfo de "histórico". Dixo que o PP gañara "limpa e claramente" e, despois dunha campaña en que apenas coincidiron, afirmou que ter "o goberno responsable" de Rajoy axudou a aumentar a confianza dos galegos e galegas. Aplaudia así a xestión de Rajoy como non fixo nos quince días anteriores. | "Galicia, Galicia, Galicia", así remataba a intervención de non máis de cinco minutos o candidato do PP e presidente en funcións que comezou agradecendo a confianza da cidadanía, dos "que votaron, dos que se abstiveron, dos que votaron aos partidos nacionalistas e ao partido socialista". Mentou despois as persoas que sofren o paro, ás que lle dedicou "recordo e compromiso". "Por eles seguiremos traballando, por ter unha administración capaz, unha Xunta solvente", comentou para lles transmitir unha "mensaxe de esperanza". Feijóo manifestou tamén que o obxectivo é "saír da crise económica". Cunha sala ateigada de gráficos entre os que se atopaban dirixentes do PP como Ana Pastor ou o Secretario Xeral de Comunicación, Alfonso Cabaleiro, Feijóo lembrou a Fraga dicindo que "fundou o partido que máis se parece a Galiza", ademais de lle agradecer o apoio a outro expresidente, Xerardo Fernández Albor. O candidato do PP compareceu acompañado de Alfonso Rueda, responsábel de campaña, e o voceiro parlamentar Pedro Puy. A responsabilidade de RajoyDespois dunha campaña en que apenas se deixaron ver xuntos, Feijóo aproveitou a súa primeira comparecencia para afirmar que "ter un goberno responsable en España axudou a aumentar a confianza de galegos e galegas". Aplaudia así a política de recortes do presidente do Estado español como non se atreveu a facer ao longo da campaña. Pasou despois o presidente en funcións a falar en español para recoñecer que "o bo para España é bo para Galiza e o bo para Galiza é bo para España". Pasaban as once da noite cando o presidente en funcións chegou á sede do PP no barrio de San Lázaro onde non estaría nin unha hora. Nomes fortes do PP acompañárono na comparecencia, situándose entre os medios de comunicación. O secretario xeral de Comunicación, Alfonso Cabaleiro, permaneceu todo o tempo entre os gráficos. Ana Pastor ou Rosa Quintana sumáronse tamén a unha comparecencia en que se repetiron os aplausos. A familia de Feijóo agardou por el na sede, a nai, a irmá e a curmá, entre outros. No remate, o presidente dirixiuse á cafetería onde se atopaban os medios de comunicación para saudar e recoñecer que non esquecería o día até que fose enterrado "nesta Terra". |
NOS_9475 | A editorial Canela vén de publicar O eco das estrelas. Música medieval no camiño de Santiago, unha obra que fai un repaso por todo ese universo musical. Conta coa participación de Francisco Singul, Francisco Luengo e Mariña Arbor, autora do capítulo sobre poesía e música na Idade Media, coa que conversa Nós Diario. | Como nace este libro? O proxecto xestárono Pablo Quintana, o editor do libro, e o fotógrafo Xosé Manuel Salgado. Eu recibín unha mensaxe para facer un texto sobre as cantigas medievais galego portuguesas e a súa música. A partir de aí, elaborei un guión sobre aspectos que sería necesario abordar nese capítulo. Así, aínda que eu traballo cantigas profanas, non me parecía oportuno deixar de lado o gran repertorio musical da Idade Media a nivel de poesía lírica, que son as cantigas de Santa María. Fomos aquilatando ese borrador previo, engadindo algunhas cuestións, como un apartado dedicado á iconografía, e unha selección de fotografías dos manuscritos que permitisen ilustrar todo o que se recollía no capítulo. A obra acabou sendo moi robusta, traballada por persoas que viñamos de mundos diferentes e de perspectivas de investigación distintas para construír unha peza que, en principio, parecía ter un matiz máis divulgativo. Finalmente acabou achegándose á alta divulgación, no que atopamos investigación propia e unha posta a punto de todos os coñecementos que existen sobre os campos que se tratan nela. Cada unha desas perspectivas dá lugar a un capítulo propio. Si. Por exemplo, está a perspectiva de Francisco Singul como experto que é en arte e historia, no mundo do camiño e das peregrinacións, que sitúa e fai ese marco conceptual. Aparece todo o que era a poesía lírica escrita en galego coa súa melodía, as cantigas profanas, como se poderían interpretar, se levaban acompañamento musical e con que instrumentos... Logo tamén está a visión do músico, pero tamén do construtor de instrumentos, que sabe como responden e como se elaboraron, como se reconstruíron para que hoxe se poidan escoitar. Existen esas perspectivas do historiador, da filóloga e do músico e intérprete que se complementan moi ben, ao que hai que sumar as grandes imaxes de Xosé Manuel, moitas delas inéditas. Que obxectivos persegue? No meu caso, unha posta ao día de todo o que se foi escribindo e publicando nos últimos anos sobre a lírica medieval galega. O meu punto de partida foi estudar onde naceu a lírica galega, como se desenvolveu, con que xéneros conta, en que coordenadas económicas, sociais e políticas se desenvolveu, como é o texto e que temas recolle, etc. Dar unha visión panorámica sobre un tema que é moi amplo e complexo. Logo, a nivel máis xeral, a obra pretende dar a coñecer o marco no que se move o camiño de Santiago, como se desenvolve e desde un punto de vista no que Compostela é un centro cultural de primeira orde. Todo iso no seo dunha Gallaecia que ten o poder suficiente para levantar o Pórtico da Gloria, esculpir eses instrumentos que aparecen nel e que permite dar a luz a toda unha poesía en galego. Cal son as achegas que fai este traballo? Podo falar desde o punto de vista da filóloga e da impresión que teño desde que fixen esa posta a punto sobre a música. Había estudos previos e unha bibliografía moi ampla, pero, por exemplo, Francisco Luengo reinterpreta bastantes datos a partir das imaxes e pon sobre a mesa novas hipóteses de traballo, o que supón unha contribución notábel. Poderíase definir ese capítulo como unha enciclopedia dos instrumentos presentes no Pórtico da Gloria e doutros centros eclesiásticos ou pazos. No que se refire á miña escrita, é unha suma que non existía sobre o que os musicólogos foron achegando, e faise un repaso por todas as cuestións que teñen que ver coa música profana e mariana, con descricións globais dos manuscritos. Atreveríame a dicir que, en xeral, é un libro de referencia no que se conxugan todos estes aspectos e que, nunha lectura única, un pode ter unha visión global dos temas que trata. |
NOS_17465 | Cinemas, teatros, auditorios, museos e bibliotecas reabren hoxe na Galiza, logo de dúas semanas de letargo, ou farano progresivamente nos próximos días, a 30% da capacidade e cun rexistro de asistentes. Entre as problemáticas de situacións tan diversas, a continúa readaptación e conexión co público semella unha das máis comúns. Ademais, a política da Xunta deixa de novo fóra dos espazos culturais as salas de concertos, asociadas ao ocio nocturno. | A cultura, aínda con remelas nos ollos, esperta da parálise das últimas semana coa reapertura de cinemas, teatros, auditorios, congresos e outras actividades. Cada espazo enfronta realidades diferentes, se ben a normativa estabelece unha capacidade máxima de 30%, que non deberá superar as 250 persoas en espazos fechados e as 500 en lugares abertos. Aliás, deberase manter un rexistro de asistentes cos teléfonos de contacto, custodiado "durante un mes".Teatro e música A Rede Galega de Teatros e Auditorios reactiva a programación desde mañá. Así, o Auditorio de Arteixo, o Teatro Principal de Compostela, Teatro Colón e o Teatro Rosalía na Coruña serán algúns dos primeiros en acoller representacións. En Vigo, a compañía Aporía Escénica ofrece a estrea de Soga e cinsa. A xestora do auditorio municipal, Marta Núñez Aboi, considera que tiveron "sorte", pois os seus pases comezaban xusto esta sexta feira, polo que non tiveron que cancelar nada. O seu espazo, de 285 butacas, leva funcionando a 81 desde xuño, sempre coa prioridade da distancia de seguridade de 1,5 metros, quitando algúns momentos de restrición a 30 ou 60 prazas, que levaron a solicitar un permiso especial. Con todo, non o levan mal. O segundo semestre do pasado 2020, coa primeira programación pos covid-19, serviulle para tomar o pulso. "Foi alucinante,", pois venderon en setembro 85 abonos, cando normalmente só chegaban a 20. En xaneiro ían nos primeiros días polos 53, máis co feche paralizouse, até esta segunda feira, co anuncio do retorno. Non sorprende, aínda que debería, que as salas de música fiquen fóra desta primeira vaga de aperturas, atendendo ao tratamento como "ocio nocturno" ao que o Goberno galego parece ter adscrito estes locais. "Estamos até o gorro", sentencia Alberto Grandío, presidente de Clubtura (Asociación Galega de Salas de Música) e de Acces (Asociación Estatal de Salas Privadas de Concertos). A situación noutros territorios é ben diferente: en Murcia ou Valencia foron etiquetadas como espazos culturais, abertas e con concertos. Os locais adoitan complementarse coa venda de bebidas, pois "só coas entradas é inviábel", explica Grandío, "mais a nosa vocación é cultural". As alternativas existen lonxe do feche taxativo, por exemplo adiantanto o horario dos concertos. Museos e bibliotecas O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) está dándolle os últimos arranxos á exposición que abrirá mañá, Cultivar incertezas, conmemorando o 30 aniversario da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, cunha selección de traballos de artistas que saíron dela. A mostra preséntase hoxe sen inauguración. O director do museo, Santiago Olmo, sinala que xa non desenvolven este tipo de eventos que poden congregar xente, substituídos por "portas abertas". A esta mostra sumaranse a semana vindeira outras dúas, unha retrospectiva da pioneira da música electrónica Pauline Oliveros e Breaking the Monument, con imaxes de resistencia de artistas mulleres. Alén do expositivo, abre tamén a libraría e a biblioteca. A este sumaranse boa parte dos museos do país, algúns dos cales ofreceron visitas virtuais durantes este tempo. "É moi importante a dixitalización", admite Olmo, que sinala a súa utilidade como arquivo -"memoria viva do museo"-, como formato na difusión ou na formación. Porén, "o museo, como toda a cultura precisa presencialidade, pois esta é en si mesma unha ferramenta de socialización". Olmo destaca que están ensaiando estratexias dixitais, reconvertendo algunhas actividades, pero apunta a un modelo complementario. "Hai eventos que requiren do presencial ou sectores para os que é crucial", como as crianzas ou as persoas máis maiores. Por outra banda, as bibliotecas volveron tamén abrir ao público, logo dun tempo no que só se desenvolveu "traballo interno", conta Rosa María Díaz, directora da de Ourense, bautizada o pasado ano como Nós. Antes do 27 de xaneiro xa estaban a funcionar nunha capacidade similar á de agora, con dous de cada seis postos de lectura, priorizando sempre a distancia de dous metros aínda que podían alcanzar un máximo de 50%. No seu caso, sinala que ao contar con instalacións novas non teñen moitas dificultades para manter condicións de seguridade, se ben as restricións fan que haxa "demanda de máis prazas das que podemos ofrecer". Cousa que tamén notan, como espazos culturais alén do préstamos, no resto de actividades presenciais. A limpeza e desinfección continúa son cruciais para que, até o momento, non tivesen ningún contaxio no lugar. "Os equipamentos culturais, públicos ou privados, están respectando moi ben os protocolos", opina Díaz. Salas de cinema As salas de cinema tamén volven. Codex, en Lugo, decidiu agardar até mañá para comezar cunha estrea, fronte a outras que xa abriron onte, como Numax. A restrición de 30% da capacidade implica no caso da primeira ten unha sala de 141 butacas a unhas 40, algo máis de asistiren conviventes, que poden sentar máis preto. Isto supón en efecto unha redución de 75% da capacidade. Porén, o maior problema para Eloi Caldeiro, o responsábel de Codex, é "o esforzo para volver chegar á xente", que se dificulta nesta dinámica de "abrir e fechar, un paso adiante e outro atrás", comenta parafraseando a Xosé María Díaz Castro. En lugar destas oscilacións reflexiona se non sería mellor fechar de vez o tempo que for preciso. "Igual nun mes temos que volver a facelo", advirte, e iso "implica gastar cartos cada volta". E logo vén o verán, unha época moi complicada para este tipo de salas que xa de seu son un negocio complexo. Recuperar o ritmo Olmo tamén sinala o esforzo extra por "recuperar o ritmo habitual. Parar é moi fácil, volver non tanto". A comunicación ten un papel chave para transmitir "o importante do que facemos e ofrecer situacións interesantes", opina. Nesta liña, Núñez fala dos cambios de protocolos como unha das cuestións máis problemáticas, como as mudanzas na capacidade cando as butacas xa están vendidas, o que implica un gran traballo para contactar coas persoas e devolver os billetes. Aliás, os feches perimetrais limitan a asistencia das que veñen de Redondela, Nigrán, Cangas... Segundo Grandío, isto tamén afectaba moito as salas pequenas das vilas. Son cambios que ademais moitas veces ocorren con pouca marxe de manobra, de cuarta para quinta feira. "Estamos até as dúas da mañá ultimando detalles", di Núñez, que celebra o compromiso do seu equipo. Outro dos principais problemas de cinemas e teatros é o adianto do horario dos eventos por mor do toque de recoller. No auditorio de Vigo, a programación para persoas adultas, que estaba ás 21 horas, pasou primeiro ás 20.30 e logo ás 20 horas. Neste senso, Caldeiro sinala que tiveron que reducir a dúas sesións, reducindo pases. Caldeiro agarda que cheguen por parte das Administracións "as accións que precisamos", lembrando que o impacto no sector non se amaña simplemente abrindo. Cultura segura O responsábel de Codex asegura que nos cinemas están sendo moi rigorosos, sen vender xa comida ou bebida para evitar situacións de interacción sen máscara ou mesmo medindo o nivel de de CO2 no ar. Considera que as salas son por iso "un dos lugares máis seguros, con case dous metros de separación nos 360 graos". Igualmente, Olmo destaca que "en termos de seguridade, os museos son espazos amplos, que compren todas as garantías sanitarias", apuntando que permiten visitas individuais ou en grupos pequenos, de catro como máximo. "Ofrecen distancia social e a circulación é moi ordenada, tamén nos eventos do auditorio", engade, observándoo "máis controlado que un supermercado". "Eu non son epidemióloga", advirte Núñez, que non se sente capacitada para opinar sobre a pertinencia das medidas. O que si ten claro "é que os espazos culturais son seguros". Moito máis que "ir mercar un pantalón a Zara", comenta, matizando que custa ver a "coherencia" das medidas que fechan a cultura mentres manteñen outros lugares de risco moito máis laxos. En tempos de crise, a cultura xoga para Olmo un papel de "distracción, axuda psicolóxica e case diría espiritual". Por iso a sinala como sector imprescindíbel, artelladora tamén da esperanza. Con todo, admite que é moi difícil dar cunha solución que contente a todas e observa o feche como "danos colaterais". "Non estamos afeitos, pero cómpre ter paciencia", conclúe. |
PRAZA_6479 | Con toda a bagaxe que o nacionalismo galego leva acumulando, cos diversos apoios e recoñecimentos internacionais que suma o noso país, e diante da encrucillada que se nos presenta, presidida polo soberanismo, é central construír o escenario que garanta vermos máis cercana unha Galiza que se poida mirar no espello dos novos Estados europeos de Escocia e Catalunya. | Sen dúbida algunha, a cuestión nacional volve estar de actualidade (se é que nalgunha ocasión deixou de estalo). O proceso soberanista escocés e catalán, ao igual que noutrora o quebequés, o flamengo ou, máis próximo a nós, o vasco, enchen capas e páxinas de xornais, horas en debates radiofónicos e, o máis importante ao meu ver, boa parte das conversas das e dos homes e mulleres do continente europeo. E é que a cuestión nacional atinxe a todos os Estados da Europa, nos que maioritariamente diversas nacións (con existencia previa a estes Estados) foron absorbidas e/ou dominadas. Obviamente o enfoque é duplo á hora de encarar a cuestión nacional. Reducindo ao máximo cada un dos enfoques, podemos destacar que desde a óptica unionista (imperialista, historicamente), a realidade que nos ocupa é vista coma un "problema" presente e pasado, así como desde a óptica independentista (soberanista), esta realidade é encarada con ilusión coma unha "esperanza" de futuro. Desde a óptica unionista, a realidade que nos ocupa é vista coma un "problema" presente e pasado, así como desde a óptica independentista, esta realidade é encarada coma unha "esperanza" de futuro O relativo ao enfoque unionista é dunha argumentación pobre, baseada na imposición do cuantitativo fronte o cualitativo (chegando a extremos estúpidos para o caso, por exemplo, español cando se asevera que se a respeito de Catalunya algo hai que votar -obviamente extensíbel tamén a Euskal Herria e Galiza- será 'el pueblo español...' o que se pronuncie nas urnas), argumentación que fai augas en chave democrática. O primeiro ministro británico, David William Donald Cameron, hai días botaba man dunhas súas bagoas de crocodilo para xustificar que Escocia tiña que seguir facendo parte do Reino Unido de Gran Bretaña (e con Escocia, o seu petróleo e restantes recursos naturais…). No que atinxe á posición independentista, por regra xeral, toma forza a cuestión histórica (a práctica totalidade das nacións que están a reivindicar a súa conversión en novos Estados europeos, foron noutrora realidades xurídico-políticas de seu, perdendo a súa soberanía nun proceso máis ou menos longo no tempo), así como a firme convicción dunha mellora nas condicións de vida da maioría social. Tamén, desde logo, os sentimentos cobran protagonismo (que seríamos os humanos sen sentimentos...!), mais fundados, por regra xeral, na base histórica e na convicción en tempo presente dun futuro no que se preserve e tome maior vigor a 'identidade nacional', para alén do indicado, onde a lingua e cultura son centrais. Realidades que son golpeadas, onte e hoxe, polos Estados nos que estas nacións fican, dado que a súa 'identidade nacional' choca coa propria do Estado que for. Imaxinario colectivo Se as mulleres e homes de Escocia van votar este 18 de setembro, se queren ou non ser unha nación cun Estado propio, independente do Reino Unido de Gran Bretaña, é porque existe no imaxinario colectivo escocés a convicción de que son unha nación e que teñen o dereito inalienábel, amparado internacionalmente, de decidir a respeito do seu futuro colectivo . Isto mesmo acontece no caso catalán e tamén no vasco. A maioría das e dos habitantes que conforman estas nacións teñen consciencia de si propios (e tamén dos demais en relación a eles e elas mesmas). Na Galiza, aínda manténdose vivo o idioma proprio (a diferenza de Escocia ou Irlanda), non sen conflito, carécese dun forte imaxinario colectivo en chave nacional Na Galiza, aínda manténdose vivo o idioma proprio (a diferenza de Escocia ou Irlanda), non sen conflito, carécese dun forte imaxinario colectivo en chave nacional. A ligazón forzada a respeito de España nos últimos douscentos anos (non entro no tempo previo ao 1812 e ás Cortes de Cádiz), ten dado lugar a que a nosa nación (especialmente golpeada, sobre todo durante a ditadura franquista e) carente dunha burguesía propia, fique en desvantaxe aparente fronte os devanditos procesos soberanistas. Digo aparente, pola forza que aínda teñen os trazos diferenciais definitorios da nosa nación, nomeadamente o noso idioma, mais tamén o orgullo que polo proprio aínda se conserva entre a maior parte da nosa xente (lembremos os numerosos inquéritos que daban e dan conta de como a maior parte da nosa poboación confía antes na calidade dun produto elaborado na Galiza que nun outro foráneo). Ora, quer a lingua, quer este orgullo (baseado na confianza polo proprio), non han ser eternos, ao contrario, en base as dinámicas imperantes... Así, pois, o nacionalismo ten de construír socialmente un imaxinario colectivo (nacional), que abranga a máis capas da sociedade que as que chega actualmente, derivado de (re)pensármonos neste novo tempo que se abre (de recomposición do capitalismo a partir da 'crise' que provocou), en canto galegas e galegos. O BNG desde o seu nascimento foi quen de lanzar unha pedagoxía patriótica que envolveu a miles de persoas, posicionándose en clave nacional, contestaria e de esquerdas en favor do desenvolvimento vizoso da Galiza Obviamente, este non sería un esforzo novo para o soberanismo galego. O BNG desde o seu nascimento foi quen de lanzar unha pedagoxía patriótica que envolveu a miles de persoas, posicionándose en clave nacional, contestaria e de esquerdas en favor do desenvolvimento vizoso da Galiza. Foi quen o BNG de transmitir a necesidade dunha unión efectiva do pobo galego en favor das súas liberdades, ligadas estas a un porvir baseado na administración dos recursos naturais proprios. Mesmo o BNG deu enlazado, malia a 'longa noite de pedra', coa dinámica que os clásicos do nacionalismo galego comezaran, desde finais do século XIX e, sobre todo, do primeiro terzo do século XX. Daquelas, o nacionalismo galego, con Castelao, Bóveda, María Miramontes ou Casal, foi quen de ilusionar a unha nación que se sentiu dona de si por instantes. Unha nación que foi recoñecida diante do IX Congreso de Nacionalidades Europeas, adxunto á Sociedade de Nacións -previa existencia á Organización de Nacións Unidas (ONU). O nacionalista Plácido R. Castro foi o encargado de participar daquel congreso, celebrado en Berna (Suíza) entre o 16 e o 18 de setembro do 1933, como delegado do Partido Galeguista. Aquel sería un encontro, afirmaría o proprio Castro, no que se buscaba e obtivo "...o recoñecimento por unha organización internacional, integrada por representantes de corenta millóns de europeos, pertencente a catorce nacionalidades, de que o noso pobo constitúe unha nación". Daquelas o nacionalismo galego estaba a construír (e socializar) un imaxinario colectivo no que se proxectaba internacionalmente a nación galega. É central construír o escenario que garanta vermos máis cercana unha Galiza que se poida mirar no espello dos novos Estados europeos de Escocia e Catalunya Con toda a bagaxe que o nacionalismo galego leva acumulando, cos diversos apoios e recoñecimentos internacionais que suma o noso país, e diante da encrucillada que se nos presenta, presidida polo soberanismo, é central construír o escenario que garanta vermos máis cercana unha Galiza que se poida mirar no espello dos novos Estados europeos de Escocia e Catalunya. Tecendo relacións que, sen abandonarmos a nosa rota, nos sitúen máis perto do fin último que dá sentido, quer no nacional, quer no social, ao noso axir. |
NOS_1668 | Sindicatos como CIG levaban anos denunciando que era unha "falsa cooperativa" utilizada pola patronal do sector cárnico para ter 'falsos autónomos'. Servicarne traballa para as principais compañías cárnicas do país, como Coren (Ourense), Frigolouro (O Porriño), Novafrigsa (Lugo), Cogal (Pontevedra) ou Grupo Sada (Lugo). | O Ministerio de Traballo vén de comunicar a descualificación de Servicarne como cooperativa, decisión que significa a perda administrativa desta cualificación e que podería supoñer, unha vez esgotados os recursos, a súa disolución e a apertura do proceso de liquidación. Informa desta decisión a CIG, sindicato que leva anos denunciando que Servicarne é unha "falsa cooperativa que a patronal do sector cárnico utiliza como instrumento para contratar man de obra barata sen cumprir os convenios colectivos nin o Estatuto dos Traballadores". Entre os argumentos para tomar esta decisión decisión alúdese ao feito de que Servicarne non conta con organización produtiva propia e que, a pesar das aparencias, a estrutura organizativa e empresarial apenas existe e as ordes proveñen da empresa principal. Sinláse ademais que as condicións de traballo das persoas socias resultan inferiores aos das traballadoras que prestan servizos nas empresas clientes, así como que a incorporación como socia traballadorá á cooperativa é unha condición obrigatoria para poder acceder ao emprego. A CIG lembra que esta dercisión do Ministerio de Traballo chega anos despois de que a o sindicato iniciase unha ofensiva de denuncias e mobilizacións para rematar con esta nova forma de explotación laboral que padece o persoal asociado a esta falsa cooperativa que traballa para as principais compañías cárnicas do país, como Coren (Ourense), Frigolouro (O Porriño), Novafrigsa (Lugo), Cogal (Pontevedra) ou Grupo Sada (Lugo). A presión da central sindical obrigou a Inspección de Traballo a actuar, optando por recoñecer que os traballadoras de Servicarne non era autónomas senón empregadas por conta allea, e polo tanto teñen que figurar no réxime xeral da Seguridade Social. |
NOS_36342 | Primeira secuela na política galega do triunfo de Pedro Sánchez nas primarias. Por vez primeira no Pazo do Hórreo, o PSdeG votou esta cuarta feira a favor dunha iniciativa parlamentar a prol da constitución dunha comisión de investigación sobre a traxedia de Angrois. Até o de agora, o grupo socialista optaba por blindar o ex ministro de Fomento, José Blanco, e evitaba apoiar as pesquisas sobre a súa xestión. | Blanco defendeu nas primarias a candidatura de Susana Díaz. Apenas tres días após o triunfo de Pedro Sánchez, o ex ministro de Fomento fica sen blindaxe e ve como o seu grupo no Pazo do Hórreo respalda unha iniciativa, desta volta de En Marea, para instar a constitución dunha comisión de investigación no Congreso dos Deputados sobre o sinistro do Alvia. Perguntado esta mesma cuarta feira na Radio Galega por esta mudanza na posición da súa formación política, o ex ministro de Fomento e eurodeputado dixo respeitar o sentido de voto do PSdeG perante esta iniciativa e mostrou a súa "disposición" a "comparecer e dar explicacións" no Congreso. "Eu a única responsabilidade que tiven como ministro de Fomento foi tratar de garantir os investimentos para as infraestruturas de Galiza se poderen desenvolver", dixo. O que estaría en cuestión da súa xestión non sería tanto os maiores ou menores investimentos, senón a decisión que levou a que non estivese instalado na curva de A Grandeira o sistema de freado automático ERTMS, un dispositivo que tería evitado que un erro humano, o do maquinista, se transformase nunha traxedida saldada con 80 vítimas mortais e 145 persoas feridas. En novembro de 2011, nunha reunión coa plataforma de vítimas do sinistro, o eurodeputado socialista dixo que non soubo que a curva de A Grandeira carecía de ERTMS até tres días despois do descarrilamento do comboio. A comisión de investigación tería como obxectivo depurar as responsabilidades políticas, sendo que as penais xa están a seguir o seu curso nunha causa en que até o de agora están imputados o maquinista e un ex director de Seguranza do ADIF. En todo caso, e embora PSdeG e BNG uniren os seus votos a En Marea, a iniciativa foi rexeitada ao ser votada en contra polo Partido Popular. A formación conservadora si que votou a prol da constitución desta comisión na asemblea parlamentar de Castela e León, naquela ocasión tamén co apoio do grupo socialista. |
QUEPASA_57 | O primeiro caso de coronavirus da Costa da Morte fala tras superar a enfermidade e pasar dous meses na UVI do CHUAC | Este venres 22 de maio tivemos unha cita moi especial nos #DirectosQPC. Temos con nós a José Fernando Carrillo Ugarte, e mais ao seu fillo Fernando Carrillo Lago. Carrillo pai, toda unha lenda en Fisterra e na comarca, foi o primeiro caso de positivo por coronavirus na Costa da Morte. Foi o sábado 14 de marzo, apenas un día despois da declaración do Estado de Alarma cando tiña que ingresar no Hospital Virxe da Xunqueira. Tardou dous meses en volver a casa, e facíao precisamente este luns enre o cariño e os aplausos d@s veciñ@s, despois dunha longa e heroica recuperación na UVI do CHUAC. Con 20 kg menos pero co sorriso e a lucidez de sempre. Carrillo, con algún que outro problema técnico, contounos de primeira man como é ser un auténtico supervivinte, servir de "conejillo de indias" ao ser un dos primeiros ingresados do país, polo que os sanitari@s "non daban un duro por min". Contou todo o proceso hospitalario, con excepción do mes e medio que ten esquecido por ter perdido o coñecemento. Quixo agradecer a labor de todos os sanitari@s e valorou a importancia da sanidade pública galega. Agradeceu ademais o cariño recibido á súa volta e asegura que, coa axuda da súa muller, e da súa comida, pronto volverá ter forzas para seguir presentando escritos a nome da activa Asociación de Veciños Costa da Morte de Fisterra. Pola súa parte, Fernando, embarcado esta semana en Ferrol nun remolcador, contounos como se vive dende o seo dunha familia a incerteza de non saber que vai pasar. Explicou con maior detalle como foron os procesos, e lamentou "a tensión e falta de formas" que se viviu nos primeiros momentos cunha pequena parte da veciñanza. |
PRAZA_1266 | O barón provincial saca peito cos seus resultados. A provincia de Ourense rexistrou a menor caída dentro do PP, que alí retén a práctica totalidade do seu poder institucional e accede á alcaldía da capital. | Baltar colleu o seu mapa. Pasaran pouco máis de vinte e catro horas das eleccións municipais cando o presidente do PP de Ourense, José Manuel Baltar, se presentou ante a prensa para avaliar os comicios. Como noutras ocasións o barón amosou o mapa da provincia ourensá, tinguido de azul agás nunha vintena de municipios. A súa baronía perdeu votos para o PP, si, pero fíxoo en moita menor medida que o PP no conxunto de Galicia e do Estado. E, sobre todo, o seu poder institucional apenas se vai ver resentido mentres practicamente todas as apostas e sosténs municipais e provinciais de Alberto Núñez Feijóo sofren un notable devalo. O baltarismo, unha vez máis, volve gañar. O PP perdeu apoio en toda Galicia e Ourense non foi unha excepción, aínda que o descenso foi moito menos acusado. Os conservadores ourensáns recolleitaron o 24-M un 20% menos de sufraxios que en 2011. Mentres, os seus compañeiros de Lugo descenderon máis dun 22%, na Coruña deixaron polo camiño unha cuarta parte e en Pontevedra a caída foi superior ao 30%. "O apoio rexistrado ao PP en Ourense foi moito máis importante que as medias estatais e autonómicas", o que "converte a Ourense na terceira provincia" do Estado en apoio ao PP, destacan. Baltar saca peito poñendo o acento tamén noutro dato. O seu 43,94% de votos é inferior ao 49,5% que logrou hai catro anos, pero é, con diferenza o maior apoio nas provincias galegas e tamén a menor caída, toda vez que Lugo quedou no 39% (hai catro anos chegou case ao 47%), A Coruña no 34% (41% en 2011) e Pontevedra, en algo menos do 33% (nas anteriores chegou ao 45%). Todos estes números tradúcense nun intanxible fundamental: o poder institucional e, por extensión, no poder partidario. O barón provincial que Baltar ten ao norte, José Manuel Barreiro, perdeu alcaldías senlleiras e non logrou o seu cobizado obxectivo, a Deputación de Lugo. Na Coruña os populares perderon a Deputación que lograran en 2011 e ademais o presidente provincial, Carlos Negreira, saltou aos titulares por perder a alcaldía a mans da Marea Atlántica. Asemade, o PP de Santiago sucumbiu ante Compostela Aberta e a condición de forza máis votada non servirá para gobernar en Ferrol. En Pontevedra a aposta persoal de Feijóo en Vigo serviu para alargar o triunfo de Abel Caballero e para ratificar a perda da Deputación provincial cun Louzán en retirada. Os dous principais bastóns de mando do PP van estar en Ourense, onde Baltar lembra que "se as do domingo fosen eleccións autonómicas", o partido mantería o seus escanos Así está o "panorama xeral" que inspira unha "reflexión" de Baltar. "Ter o 42% das alcaldías de Galicia, ter a única Deputación provincial de Galicia, obter a maioría de concelleiros da capital e ser a única cidade de Galicia na que o PP poder optar a gobernar son boas noticias para os populares ourensáns". Traducido: os dous principais bastóns de mando do PP van estar en Ourense, aínda que un deles vaia ser ostentado por un enviado de Feijóo que estará seguido de cerca por Democracia Ourensana. Ademais, unha das escasas perdas de poder na provincia ourensá produciuse en Verín, onde Juan Manuel Jiménez Morán, con quen Feijóo tentou derrubar o baltarismo en 2010, perdeu a maioría absoluta e deixará de ser alcalde. Así as cousas, José Manuel Baltar ultima xa o seu equipo para volver gobernar a deputación que comezou a comandar cando a herdou politicamente do seu pai, pero na que agora se ve referendado polo resultado municipal. Polo camiño deixa un aviso a navegantes: "se as do domingo fosen eleccións autonómicas" o PP "obtería os mesmos escanos que ten actualmente". Nas outras o PP caería en escanos, tanto como para perder a maioría absoluta e, polo tanto, a Xunta. |
NOS_38336 | A plataforma, que vén de iniciar unha enquisa sobre os servizos sanitarios nos distintos municipios da Galiza, culpa a reducción de fondos da morte de persoas que non foron diagnosticadas a tempo, do aumento das listaxes de agarda e da "fuxida" de parte da poboación ao sistema sanitario privado, entre outros problemas. | SOS Sanidade Pública está disposta a destapar todas as problemáticas de base do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e con esa motivación está a realizar enquisas en distintos concellos da Galiza. No entanto, de antemán, xa é consciente de que este servizo público pasa por unha crise máis grande ao sumar a pandemia e as "políticas de recortes de recursos". A plataforma denuncia que "as privatizacións" das que veñen advertindo desde fai anos, entendendo como tal tanto a da sanidade como "das residencias de maiores, con graves deficiencias de recursos e persoal" e un dos focos de vítimas máis preocupante co coronavirus. Tamén exemplifican esta estratexia da Xunta no feito de que se derivan pacientes e intervencións cirúrxicas a centros privados. Alías, comentan que hai unha "paralización da actividade de moitos servizos hospitalarios que suspenderon consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas", algo que xa foi transcendendo nas últimas semanas. Notouse, especialmente, coa terceira onda da Covid-19, pero é unha situación que xa existía antes desta crise sanitaria. O colectivo tamén incide no deterioro da "Atención Primaria pola estratexia seguida polo Sergas, para afrontar a pandemia, que non só non incrementou os seus recursos senón que fechou máis centros e está sometida a novas restricións no acceso da poboación, que en moitos casos é atendida esencialmente por vía telefónica de difícil acceso en moitos lugares, con listas de espera de días, tanto para esta como para a atención presencial, así como colas na rúa para recibir a atención". Como consecuencia, din, a poboación que ten a oportunidade está a apostar na sanidade privada na procura "da atención que lle nega o sistema público", algo que vai ser chave para dar forza ao sector. Tamén se teñen disparado de forma "brutal" as listas de espera "que a Xunta oculta para non xerar alarma social". Máis mortes por falta de atención Se cadra o máis preocupante é o "aumento da mortalidade por enfermidades que non son diagnosticadas e tratadas de maneira axeitada en tempo e forma". Esta denuncia a fixeron antes equipas sanitarias de toda Galiza. Dado este contexto, e co obxectivo de coñecer a situación ao día nos ambulatorios, SOS Sanidade Pública vén de distribuír cuestionarios. Nestas interroga ás e aos profesionais sobre se é costume que falte algunha compañeira ou compañeiro, se foi preciso fechar o número de pacientes das médicas e se hai atención pediátrica no centro ou fai falla desprazarse, entre outras cousas. |
NOS_16020 | Considera que as denuncias de "fraudes no sector" feitas polo Consello regulador de agricultura ecolóxica de Galiza crean "confusión" nos produtores. | O comunicado do Consello regulador de agricultura ecolóxica (Craega) falando de "fraudes no sector" pola venda de produtos caseiros en feiras e mercados sen o selo do organismo, xerou "confusión" e "malestar" entre as e os produtores, segundo Fruga, a Federación Rural Galega. A organización agraria sitúa esa afirmación do Craega entre os "intentos de desestabilizar" feiras e mercados de proximidade. Feiras que nacen froito da demanda dos e das consumidoras de "produtos elaborados de maneira ecolóxica, local e sustentábel" comercializados diretamente polo produtor. Fruga indica que nestes mercados de proximidade conviven sen problemas produtores certificados polo Craega e outros que non mais que "cumpren os requisitos, en moitos casos máis exixentes que os do Consello regulador". "Un funcionamento exclusivamente burocrático e unha inutilidade manifesta, mais alá da emisión e remisión de papeleo vario, fan do Cragea un instrumento inservíbel". Afirma a Fruga,"coa única utilidade de "permitir" o uso do termo ecolóxico a cambio do pagamento das taxas correspondentes". A Federación considera que o Consello cae nun "absoluto descoñecemento cando non desprezo pola actividade produtiva real, a que dá nova vida ao rural, a que prima intereses sociais por riba dos comerciais, a que aposta na soberanía alimentar do povo galego". |
NOS_23989 | Impulsar o cambio de fuso horario para adecualo ás necesidades do Estado. Esta é a nova proposta do presidente do Goberno español en funcións, Mariano Rajoy, que agora di querer que o Estado español teña o mesmo fuso horario que Portugal. | Unha semana após o cambio horario, Mariano Rajoy afirmou este sábado nun mitin do PP que quere impulsar o cambio do fuso horario para o adecuar ás necesidades do Estado. En setembro de 2013, o ministro de Economía xa asegurara que ía estudar o cambio de fuso horario para equiparar o Estado español ao resto de países da contorna. Admitía entón que "desde o punto de vista xeográfico, hai unha diverxencia entre o horario actual e o que correspondería". Aliás, o pacto asinado polo PSOE e Ciudadanos para a conformación dun novo Goberno recolle na súa páxina 38 a "recuperación do fuso horario GTM que sirva de catalizador para o resto de medidas propostas". A proposta da adaptación do horario ao GTM foi defendida na última década polo BNG, que chegou a solicitar sen éxito no Congreso un fuso horario galego idéntico ao de Portugal. A proposta do BNG recibiu todo tipo de ridiculizacións por parte do PP, que cualificou a iniciativa de "peregrina", e do PSOE, que a cualificaba de "cousa menor sen importancia" e mesmo de "chorrada". Galiza, desaxuste de dúas horas Desde que a inicios da década dos corenta, Franco decidira sumarse ao horario de Berlín como unha chiscadela á ditadura de Hitler, Galiza –que ten o mesmo horario que Suecia ou Noruega- sofre un desaxuste de até dúas horas a respeito da súa situación xeográfica. E é que no canto de lle corresponder o horario GTM+1, o actual, correspóndelle o GTM-1. Esta situación provoca que Galiza se sitúe, detrás da China, na listaxe de países con maior desfase horario. O desaxuste da hora na Galiza tamén se dá a respeito doutros puntos do Estado. Os expertos teñen advertido de que no mes de xaneiro amence pasadas as 9h, mentres que noutros territorios do Estado amence unha hora antes. O mesmo acontece en xuño: na Galiza faise de noite ás 23.30h e nos territorios orientais do leste, unha hora antes. |
NOS_5724 | A área viguesa notifica máis do 40% dos novos casos confirmados por PCR. | Os contaxios da Covid-19 detectados por PCR en 24 horas ascenden a 667, cifra que supón un total de 166 casos máis que os notificados hai un día. O maior incremento prodúcese en Vigo, onde os positivos detectados dispáranse até os 282. Así se desprende dos datos actualizados na mañá desta quinta feira na web da Consellería de Sanidade, con cifras até as 18:00 horas da cuarta feira que reflicten un novo incremento dos casos activos despois de varios días de descensos. En concreto, soben en 47 e sitúanse en 9.098. Máis do 40% dos positivos por covid-19 detectados por PCR nas últimas 24 horas correspóndense coa área de Vigo, que notifica 282 casos, 174 máis que na xornada anterior. A segunda área que máis positivos comunica é a da Coruña, con 122 novos casos, os mesmos que os comunicados na terza feira. Pola súa banda, a área de Santiago e Barbanza notifica 67 novos contaxios, cifra que supera en sete á comunicada na terza. Tamén informa de 67 positivos a de Pontevedra, con todo, neste caso, implica unha baixada de 11 casos con respecto á pasada xornada. Así mesmo, en Ourense, aumentan os confirmados nas últimas 24 horas até os 44 -11 máis-; así como en Ferrol, que comunica 34 -13 máis- Pola súa banda, baixan en Lugo, onde se confirmaron 51 contaxios -18 menos. Con estes datos, os casos activos experimentan subidas tanto na Coruña como en Vigo. Así, a área viguesa é a que rexistra máis pacientes coa infección activa, con 2.422 -105 máis-; mentres que a coruñesa son 1.888 -nove máis-. Ademais, mantéñense en 749 os casos activos na área sanitaria de Ourense mentres baixan no resto. As vítimas mortais na Galiza con coronavirus ascenden a 1.107 despois de que na xornada de onte fosen comunicados 15 novos falecementos. |
NOS_13289 | "Apelamos a que se fagan cando haxa tanto francesas como curdas, sirias e palestinas", din nun comunicado. | Ao fío dos atentados en París o pasado 13 de novembro a organización estudantil Comités emitiu un comunicado público no que pide explicacións ás tres universidades galegas polos minutos de silencio gardados en recordo ás vítimas. Neste senso, amosan a súa "solidariedade" coas persoas asasinadas e "condenamos o atentado". Porén, acrecentan, "tamén condenamos o resto de ataques e atentados contra poboacións civís que suceden diariamente no mundo, como aconteceu en Ankara o pasado outubro contra o pobo curdo, como está a acontecer continuamente en Palestina" ou "na propia Siria". A organización estudantil entende que "se a partir de agora se van facer minutos de silencio por atentados internacionais" reclaman que "se fagan cando haxa tanto vítimas francesas, como vítimas sirias, curdas, palestinas". Do contrario, afirman, "intentando amosar a nosa solidariedade, estaremos faltando ao respecto a miles e miles de persoas" das que "a nosa sociedade semella non se lembrar moi amiúdo". |
PRAZA_5771 | Os datos publicados polo INE na súa Enquisa de Condicións de Vida destacan que a porcentaxe de persoas que en Galicia sofren problemas económicos, en maior ou menor grao, se incrementou nun ano do 63% ao 72,3%, cinco puntos por riba da media española. | O 72,3% dos galegos e galegas recoñecen dificultades para chegar a fin de mes, segundo os datos publicados esta semana polo INE na súa Enquisa de Condicións de Vida. A porcentaxe supera en máis de cinco puntos á media española (67%) e sitúa a Galicia entre as comunidades autónomas máis golpeadas pola crise económica. Tan só Andalucía (75,4%), Canarias (74,5%) e Extremadura (73,9%) teñen unha proporción máis importante da súa poboación con estas dificultades. A porcentaxe de galegos e galegas con dificultades económicas, en maior ou menor grao, increméntase nove puntos dende o ano anterior, no que era do 63%, un nivel semellante á media do Estado (63,1%). A evolución é especialmente negativa para aquelas persoas que din chegar con "moitas dificultades" a final de mes. Neste caso a porcentaxe incrementouse dende o 13% do 2012 até o 17,1% de 2013. Tamén crecen, pero en menor medida, os grupos de persoas que din facelo con "dificultade" (do 17,9% ao 20,6%) ou con "certa dificultade" (do 32,1% ao 34,6%). Moitas dificultades Dificultades Certas dificultades Certa facilidade Facilidade Moita facilidade 2013 17,1 20,6 34,6 21,8 5 0,9 2012 13 17,9 32,1 27,3 8,7 1 2011 12,1 17,1 32,8 26,6 10,2 1,2 2010 13,4 16,5 30,8 26,4 12,5 0,4 2009 13,1 19,5 27,8 26,6 12,2 0,7 2008 9,9 17,5 34,4 26,8 10,9 0,5 2007 9 16,9 36 25,5 12,2 0,5 2006 10,8 21,7 34,8 25,1 7,4 0,2 2005 8,5 18,6 31 30,9 10,3 0,7 2004 8,6 16,9 33,5 28,9 10,5 1,2 A porcentaxe de galegos e galegas con dificultades económicas, en maior ou menor grao, increméntase nove puntos dende o ano anterior, no que era do 63% A renda anual media dos galegos e galegas sitúase en 2013 nos 10.106 euros, por debaixo da media española (10.531) e a unha gran distancia das comunidades autónomas máis ricas: Euskadi, Navarra, Madrid e Catalunya, todas por riba dos 12 mil euros. Galicia está en concreto no décimo posto entre as 17 comunidades autónomas polo nivel de renda dos seus habitantes. O pasado ano incrementouse a pobreza en Galicia. A taxa de risco de pobreza situouse no 17,2%, por riba do 16,8% do 2012, aínda que se mantén en niveis inferiores á media española (20,4%), que en cambio descende dende o 22,2% dos dous anos precedentes. Máis elocuente é a evolución da porcentaxe de galegos e galegas en risco de pobreza ou exclusión social analizados cos criterios da Estratexia Europa 2020, que inclúe máis elementos de carencia material e de benestar alén da simple percepción de ingresos monetarios. Neste caso a taxa galega elévase até o 24,3%, practicamente a cuarta parte da poboación, ascendendo máis dun punto dende o 2012 (23,2%). Ao igual que no outro indicador, Galicia sitúase por debaixo da media estatal (27,3%), pero tamén neste caso mentres a evolución galega é negativa, no conxunto de España a pobreza redúcese lixeiramente (cae dende o 28,2%). Case catro de cada dez fogares galegos (o 38,5%) non pode asumir gastos previstos e que o 5,5% ten atrasos nos pagamentos relacionados coa súa vivenda principal. Do mesmo xeito, o ingreso medio anual neto por persoa en Galicia é menor á media estatal, ao situarse nos 10.106 euros fronte aos 10.531 do conxunto do Estado. Máis de 500 euros menos por ano. Por outra banda, en Galicia case seis de cada cen fogares (5,7%) non poden permitirse unha comida de carne, polo ou peixe polo menos cada dous días, unha cifra que tamén é superior á media estatal (3,4%) e que multiplica por máis de cinco a porcentaxe de hai un ano, cando se limitaba ao 0,8% da poboación galega. Só nas Canarias e en Melilla este dato é peor. Pero Galicia aínda é a peor situada noutra variable: o 13,3% dos fogares galegos non poden permitirse manter a vivenda cunha temperatura axeitada, unha carencia enerxética máis de cinco puntos superior a media estatal (8%). Datos "negativos" e "preocupantes" O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia destaca que "o límite que marca o risco de pobreza diminuíu" e que en termos absolutos, "a día de hoxe hai máis persoas pobres que hai un ano" O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia vén de avaliar como "moi negativa e certamente preocupante" a Enquisa de Condicións de Vida. Para a presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social, Marta Capeáns, "non poden vendernos os datos como mellores, xa que a o descenso de catro décimas a respecto das cifras do ano pasado non responde a unha mellora da situación, senón á diminución de ingresos das familias". Neste senso, Capeáns apela a que "o límite que marca o risco de pobreza diminuíu", e que en termos absolutos, "a día de hoxe hai máis persoas pobres que hai un ano". Dende o COTSG insístese en que "a política económica da austeridade non é o camiño", e que "a blindaxe dos servizos sociais é máis preciso que nunca", e debe ser unha prioridade das institucións. Neste sentido, Capeáns reclámalle á Xunta de Galicia a loita contra a pobreza e a desigualdade, "dun xeito máis claro e contundente", aplicando políticas transversais e outras máis directas para a redución da pobreza. |
PRAZA_2097 | O IGADI analiza o drama humanitario causado polo guerra en Siria e as responsabilidades occidentais en materia de dereitos humanos e políticas de asilo e acollida. | O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) vén de publica a edición número 161 do seu Igadi Paper, centrado desta volta en analizar o drama humanitario causado polo guerra en Siria e as responsabilidades occidentais en materia de dereitos humanos e políticas de asilo e acollida. Considerada a peor crise humanitaria da posguerra en Europa, sen infravalorar por iso o impacto das guerras balcánicas da década de 1990, a masiva afluencia de milleiros de refuxiados que foxen da guerra civil que azouta a Siria desde 2011, así como doutros conflitos próximos (Afganistán, Iraq, Libia) nos que Occidente ten unha elevada responsabilidade, repercute nun problema social e de cohesión das políticas de integración no seo da Unión Europea, supoñendo un paso atrás no cumprimento dos tratados internacionais de defensa dos dereitos humanos, da tramitación das peticións de asilo e das políticas de acollida, obstaculizadas por un polémico reparto de cotas de refuxiados e pola intransixencia e dureza de determinados gobernos (Hungría, Eslovaquia, Dinamarca, Austria) á hora de pechar fronteiras e permitir o paso dos refuxiados. A indiferenza e indolencia europea ante a crise dos refuxiados sirios, visiblemente diferente da solidariedade establecida tralos atentados terroristas contra o semanario francés Charlie Hebdo ocorridos en xaneiro pasado, intensifica aínda máis a dimensión dunha problemática obstaculizada pola incapacidade política e institucional da Unión Europea para cumprir cos compromisos legais adquiridos en materia de dereitos humanos. Incluso, a intempestiva decisión francesa, a través do seu presidente François Hollande, de impulsar voos de recoñecemento con drons para atacar posicións do Estado Islámico en Siria, revela unha actitude reactiva con claros visos de exculpación moral e escaseza de visión integral do problema. A crueza das estatísticas do conflito sirio obriga a repensar unha estratexia internacional claramente fracasada e incompleta para solucionar un conflito estratéxico para os intereses de diversos actores A crueza das estatísticas do conflito sirio obriga a repensar unha estratexia internacional claramente fracasada e incompleta para solucionar un conflito estratéxico para os intereses de diversos actores. Segundo as cifras do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), máis de once millóns de sirios son considerados refuxiados deste conflito, estimándose en máis de catro millóns os refuxiados en países veciños (Turquía, Líbano, Xordania e Iraq, principalmente) e case sete millóns de desprazados internos. Desde que comezara o conflito en marzo de 2011, estímase en máis de 250.000 as mortes causadas polos enfrontamentos. Paralelamente, os gobernos de diversos países de Oriente Próximo igualmente vense contrariados e criticados pola súa actitude cara os refuxiados sirios. Turquía, con máis de dous millóns de refuxiados e desprazados sirios, comeza a endurecer a súa política de acollida, e as condicións dos refuxiados empeoran tanto nos campamentos de acollida como nas cidades turcas. O mesmo tratamento obsérvase no Líbano, onde o fustigamento dos refuxiados comeza a medrar. Israel, Arabia Saudita, Qatar, Emiratos Árabes Unidos, Kuwait e Bahrein amosaron publicamente a súa negativa a acoller refuxiados Por outra banda, Israel, Arabia Saudita, Qatar, Emiratos Árabes Unidos, Kuwait e Bahrein amosaron publicamente a súa negativa a acoller refuxiados, baixo pretextos de alteración do equilibrio demográfico, étnico e comunitario, e da presunta infiltración de elementos integristas. Mentres, se Washington semella decidido a afrontar unha segunda fase militar contra o Estado Islámico prevista no plan de Siria presentado polo presidente Barack Obama (novembro de 2014), Rusia e Irán, principais aliados externos do réxime sirio de Bashar al Asad, tentan impulsar iniciativas de solución do conflito, tan incertas como controvertidas, en particular ante a eventualidade dunha maior asistencia militar rusa ao Exército sirio. Siria: punto de non retorno Orixinalmente relacionado coas ansias de cambio político impulsadas no Magreb e Oriente Próximo a carón da Primavera árabe, o conflito sirio iniciado en marzo de 2011 foise progresivamente decatando cara unha guerra civil interna con ampla capacidade de impacto rexional. En perspectiva, e comparado co golpe militar exipcio (2013) e a reactivación da represión en diversos países da rexión, a persistencia do conflito sirio confirma o estado de progresiva degradación dos ideais establecidos na denominada Primavera árabe. A persistencia do conflito sirio confirma o estado de progresiva degradación dos ideais establecidos na denominada Primavera árabe Entre as características propias do conflito sirio pódense identificar as rivalidades e enfrontamentos derivados da preponderante composición sectaria da sociedade siria, particularmente de carácter étnico e relixioso (sunnitas, alauítas, xiítas, cristiáns, drusos, maronitas, curdos, armenios, palestinos, turcos, etc.); a persistencia dun réxime ditatorial, establecido polo clan al Asad no poder desde 1970; a expansión do conflito da veciña Iraq, en particular ante a conformación e avance do Estado Islámico como realidade non estatal con forte capacidade de poder político, relixioso e paramilitar; a confrontación de intereses estratéxicos por parte de actores externos (Turquía, Rusia, Irán, EUA, Europa, Arabia Saudita, Qatar, Israel); un panorama de atomización política e paramilitar por parte dos actores internos do conflito (réxime de Bashar al Asad, Exército Libre Sirio, grupos opositores, milicias curdas, Estado Islámico, Fronte Al Nusra, etc.) e a distante e incapaz actitude da comunidade internacional á hora de suxerir unha solución política do conflito armado, así como de definir unha política de asistencia humanitaria a favor dos países veciños afectados pola masiva chegada de desprazados e refuxiados. O contexto 2015 dá a entender un panorama de práctica inamobilidade dos factores xeradores do conflito. O réxime de Bashar al Asad apenas ten o control da capital Damasco e doutras rexións do suroeste sirio, particularmente onde a comunidade alauíta ten preponderancia. Paralelamente, é visible a consolidación do Estado Islámico nun amplo corredor sunnita entre Siria e Iraq, así como da Fronte Al Nusra ao sueste sirio. As milicias curdas manteñen fortes posicións no Norte sirio, fronteirizo con Turquía e o Norte de Iraq, e apenas logra manterse en pe unha plataforma opositora fragmentada política e militarmente, dependente de actores externos (EUA, Gran Bretaña, Arabia Saudita, Qatar). Crecen as expectativas dunha desintegración de feito do Estado sirio por mor das rivalidades sectarias e a consolidación de novos actores non estatais, en particular o Estado Islámico e as milicias curdas A desintegración do tecido social sirio e o drama humanitario manifestado en desprazados e refuxiados dentro e fóra do país sinala un contexto dificilmente sostible para preservar a cohesión nacional e estatal en Siria. Neste sentido, crecen as expectativas dunha desintegración de feito do Estado sirio por mor das rivalidades sectarias e a consolidación de novos actores non estatais, en particular o Estado Islámico e as milicias curdas que ansían un Estado curdo independente, así como a resultas dos intereses estratéxicos por parte de actores externos. Neste contexto, Europa adoeceu dende o comezo dunha política unitaria de consenso para abordar unha solución política do conflito sirio. Suxeita aos intereses atlantistas establecidos por EUA e os seus aliados europeos, en particular Gran Bretaña, a Unión Europea amosou unha falta de coordinación e de visión integral do problema sirio, apoiando a celebración de fracasadas conferencias internacionais que mais ben derivaron en tentativas por fortalecer a falacia dunha plataforma opositora sumamente desintegrada, na súa pretensión de derrubar o réxime de Bashar al Asad. A política europea de apoiar á oposición siria a instancias dos imperativos atlantistas deseñados en Washington, fixo causa común co apoio loxístico e financeiro por parte das "petromonarquías" do Golfo Pérsico Mentres Rusia, Irán e China establecían puntos de coordinación en apoio ao réxime de Bashar al Asad, para evitar a súa caída e que a consecuente inestabilidade siria afectara os seus intereses xeopolíticos estratéxicos, a política europea de apoiar á oposición siria a instancias dos imperativos atlantistas deseñados en Washington, fixo causa común co apoio loxístico e financeiro a favor da oposición siria por parte das "petromonarquías" do Golfo Pérsico, en particular Arabia Saudita, Qatar e Emiratos Árabes, cunha reversión "inesperada" que foi o fortalecemento do Estado Islámico, antano protexido por estas monarquías co aval occidental. A (des) Unión Europea A incapacidade da comunidade internacional para adiantar unha solución foi progresivamente derivando nunha actitude de indiferenza e distanciamento por parte dos gobernos occidentais ante a traxedia humanitaria A crueza do conflito sirio e, particularmente, a incapacidade da comunidade internacional para adiantar unha solución ao mesmo, foi progresivamente derivando nunha actitude de indiferenza e distanciamento por parte dos gobernos occidentais ante a traxedia humanitaria, intensificando así o drama dos refuxiados. O 2015 significa así un punto de non retorno dunha crise insostible, derivando nunha masificación dun drama achegado ás costas mediterráneas europeas e, de alí, ao corazón mesmo da Unión Europea. Se a incapacidade europea para dar curso a unha solución ao conflito sirio é sumamente notoria e reveladora da súa escasa influencia no sistema internacional e na resolución de conflitos, a posterior actitude política e institucional dos países membros da Unión para afrontar o drama dos refuxiados sirios permite salientar o progresivo declive dos seus postulados de integración e de cohesión social, así como o tratamento e incumprimento dos compromisos internacionais en materia de dereitos humanos, en particular do dereito de asilo. A actitude política e institucional dos países membros da Unión para afrontar o drama dos refuxiados sirios permite salientar o progresivo declive dos seus postulados de integración e de cohesión social Estes aspectos cobran relevancia ante a patente incapacidade da Unión Europea para asistir a países que acolleron aos refuxiados en campos de internamento, como son os casos de Grecia, Macedonia, Serbia ou Bulgaria, así como a dureza política e policial exhibida por outros gobernos, en especial Hungría, Austria, Eslovaquia e Dinamarca, quen negáronse a acoller refuxiados, pechando as fronteiras e obstaculizando o seu paso cara Alemaña e o norte de Europa. A indolencia da Unión Europea queda igualmente patente tendo en conta a súa inacción ante as políticas extremistas e racistas adoptadas polo goberno húngaro de Viktor Orban, en particular, a actuación das súas forzas policiais contra os refuxiados. Está por ver se Bruxelas terá capacidade de sancionar a gobernos como o húngaro ou danés, reticentes a acoller a refuxiados ou a aceptar a porción das controvertidas "cotas" negociadas pola Unión Europea con cada país membro. A mobilización cidadá a favor dos refuxiados permite deducir a existencia doutra Europa, a dos cidadáns, mais sensible e condescendente co drama humanitario Non obstante, a mobilización cidadá a favor dos refuxiados, con exemplos elocuentes como o caso islandés, país non membro da Unión Europea pero cuns cidadáns que adoptan políticas autónomas de acollida que están provocando un cambio de posición favorable por parte do goberno dese país, permite deducir a existencia doutra Europa, a dos cidadáns, mais sensible e condescendente co drama humanitario. Con todo, a peor crise humanitaria europea desde o final da II Guerra Mundial, manifestada nesa maré de refuxiados sirios e doutros conflitos, está ironicamente cuestionando os cimentos do proxecto europeo de integración, ideado precisamente na Europa da posguerra para evitar a reprodución de conflitos históricos e dese- ñada pensando na procura da paz, dos dereitos humanos e da convivencia Descarga aquí o texto completo (.pdf) |
NOS_58415 | O comité de empresa da TVG crea o blog 'Eu non manipulo', unha ferramenta que fai un seguimento diario dos noticiarios "para denunciar a manipulación informativa que sofre a canle pública" | No dicionario da Real Academia Galega o verbo manipular ten até catro aceptacións. Tres das mesmas acaerían á perfección ao que desde o blog Eu Non manipulo se vén denunciando a respecto dos informativos da TVG: Realizar diversas operacións ou manobras de forma oculta para alterar ou falsear [unha cousa]; Tratar [un asunto] da maneira que máis convén aos propios intereses, sen ter en conta os dereitos dos demais; exercer un dominio abusivo sobre alguén] facendo que actúe segundo a propia comenencia e criterio e ignorando a súa opinión e intereses. Eu non manipulo, e ti? é un blog de recente creación impulsado polo comité de empresa da Televisión de Galicia para denunciar "a manipulación informativa que sofre a canle pública e para demandar a creación do estatuto profesional que establece o artigo 36 da Lei 9/2011 de 9 de novembro dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza, que contempla a creación dun consello de informativos para a Corporación RTVG". Se quere saber o que acontece en Galiza, sintonice a BBC O blog fai un seguimento diario dos telexornais e noticiarios da TVG. Un seguimento, cómpre telo en conta, feito pol@s propios profesionais da canle. Mediante esta práctica, constátase como a TVG non cumpre nin co compromiso de ser pública nin galega. Novas de alcance mundial como a de Feijóo co narcotraficantes Dorado son ou ben obviadas, ou ben disculpadas ou ben minimizadas na TVG. A respecto deste escándalo, denuncia o comité de empresa da TVG a través deste blog, salienta que o fío narrativo do mesmo sexa a versión do PP e dos medios afíns, mentres se silencia á oposición, nomeadamente BNG e AGE. Contrasta que neses mesmos días, xornais e noticiarios internacionais si que recollían a(s) noticia(s) das amizades de Núñez Feijóo cando era número 2 de Sanidade. Galiza: Paraíso sen despexos, sen corrupción nin precariedade Tal e como se denuncia neste blog, nos noticiarios da TVG apenas hai novas referentes a despexos acontecidos na Galiza (e que si se cobren por cadeas estatais) e cando os hai, como no caso de Aurelia, "a nova dase á media hora de iniciado o informativo, dun xeito completamente suave, sen citar incidentes nin dar referencia algunha á actitude dos bombeiros… Neses días, o PP (como agora) estaba especialmente empeñado en ignora-lo drama dos desafiuzamentos e as mobilizacións sociais contra eles". Igual proceder segue a TVG a respecto dos casos de corrupción que afectan o PP, como Bárcenas ou os relacionados co Concello de Compostela. Mais tampouco teñen cabida nos informativos da TVG noticias que si saen noutros medios, tales como que o soldo dos galegos é o terceiro máis baixo do Estado. E no que se refire ás manifestacións en defensa da sanidade pública na Galiza con participación de milleiros de persoas, son relegadas a tramos testemuñais nas noticias da TVG. Coma os citados, hai máis exemplos no blog, citados cos datos correspondentes, para poñer sobre a mesa o problema da TVG, unha televisión pública que, sinalan, está sometida a criterios informativos que non parten de criterios como obxectividade e servizo público. |
PRAZA_10271 | Segundo o regulador, coordinaron "políticas e condicións comerciais" cunha comisión de supervisión que "controlaba as desviacións con medidas de presión e ameazas de denuncia a quen non formaron parte dos acordos" | DOCUMENTO | Resolución da Comisión Nacional dos Mercados e da CompetenciaSegundo o regulador, coordinaron "políticas e condicións comerciais" cunha comisión de supervisión que "controlaba as desviacións con medidas de presión e ameazas de denuncia a quen non formaron parte dos acordos"A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) anunciou este venres unha batería de sancións por importe de 33,88 millóns de euros a 34 editoriais de libros de texto e á Asociación Nacional de Editores de Libros e material de Ensinanza (Anele). As maiores multas corresponden ao grupo Santillana (case 9 millóns, entre eles 5.000 euros á galega Edicións Obradoiro), Anaya (8 millóns, deles 30.000 euros a Xerais) e SM (5,38 millóns, dos que 10.000 euros foron a Xerme Edicións). Á patronal ANELE correspondéronlle outros 180.000 euros. Segundo o regulador, coordinaron "políticas e condicións comerciais" cunha comisión de supervisión que "controlaba as desviacións con medidas de presión e ameazas de denuncia a quen non formaron parte dos acordos".Competencia, que non menciona a palabra "cartel", di que o sector coordinou un "mecanismo" para fixar "políticas e condicións comerciais no marco dun Código de Conduta" para as súas empresas. Unha Comisión de Supervisión ao amparo dese código "controlaba as desviacións con medidas de presión e ameazas de denuncia a quen non formaron parte dos acordos". "Anele e 10 editoriais pactaron condicións comerciais para comercializar o libro de texto dixital entre 2014 e 2017", explica.Santillana xa mostrou "o seu total desacordo coas dúas prácticas supostamente restritivas de competencia que fundamentan a resolución da CNMC", que recorrerá porque "contén profundas inconsistencias".O expediente foi iniciado a partir dunha denuncia da Editorial Vicens Vives, que fora á súa vez denunciada por competencia desleal polas editoriais agora sancionadasNo expediente, iniciado a partir dunha denuncia realizada pola Editorial Vicens Vives, sancionáronse dúas infraccións moi graves segundo a Lei de Defensa da Competencia e o Tratado de Funcionamento da UE: unha serie de acordos e prácticas concertadas vinculadas co desenvolvemento e aplicación dun Código de Conduta para as empresas do sector en vigor desde abril de 2012. Ao elaborar e implantar ese código, as editoriais sancionadas e a asociación configuraron, segundo a CNMC, "unha estratexia dirixida a restrinxir a competencia na prescrición de libros de texto non universitarios por parte dos centros educativos" que lles permitiu "homoxeneizar as políticas e condicións comerciais no sector, como a entrega de materiais informáticos (canóns de proxección, ordenadores portátiles etc.), para reducir e eliminar aqueles elementos que introducían competencia na prescrición de libros de texto".A pesar de que o código de conduta xustificouse por un sistema de supostas "boas prácticas", Competencia cre acreditado "que as entidades que levaron a cabo as condutas facíano cunha finalidade económica e para restrinxir a competencia"; e que existían "métodos de castigo ás editoriais que non cumprían cos acordos, aínda que voluntariamente non se adheriron ao Código de conduta". "Anele enviou cartas a competidores e aos centros educativos, incluíndo ameazas de denuncias. Tamén se realizaron medidas de presión concretas contra Edelvives, ata que se uniu aos acordos, e presentáronse demandas de competencia desleal contra Vicens Vives", a denunciante. Segundo competencia, a patronal do sector "enviou cartas a competidores e aos centros educativos, incluíndo ameazas de denuncias"A CNMC comprobou, tamén, un descenso da cantidade destinada por parte das editoriais á entrega de material das TIC entre 2010 e o curso 2017/2018 ás aulas, "sen que iso se traduciuse en baixadas de prezos dos libros de texto". Competencia lembra que a comercialización de libros de texto ten unhas características "peculiares", dado que as familias dos alumnos, que son as compradoras dos libros, non seleccionan o produto en función do prezo e están obrigados a adquirilo se o prescribe o centro educativo."Outro aspecto relevante é que hai etapas educativas de prezo fixo (educación infantil, bacharelato e FP) e outras (educación primaria e ESO) con prezo libre". A isto súmase "unha regulación sobre os contidos dos libros de texto non universitarios moi clara e determinante" e que os centros educativos teñen a obriga legal de manter os mesmos libros de texto por períodos de polo menos 4 anos, salvo que estea plenamente xustificada a súa substitución antes do tempo establecido. |
NOS_1672 | Ana Miranda presentou unha iniciativa dirixida á Comisión europea para coñecer os efectos da saída británica. Gran Sol e Malvinas son caladeiros de buques de capital e tripulación galega. | Como afectará a saída da Unión Europea ao sector pesqueiro galego? Esta é a pregunta cuxa resposta quer saber o BNG, que trasaladou en forma de iniciativa parlamentar a cuestión á Comisión europea. Augas de soberanía británica como Gran Sol e Malvinas son faenadas por buques de capital e tripulación galega, mais de bandeira británica (para poder así acceder a maior cota). O temor é que, co Brexit, isto cambie. E, por exemplo, Londres decida que neses barcos a maioría do capital ten que ser brit´`anico ou ben unha parte determinada da tripulación. "Calquera que sexa a decisión que se adopte entre o Reino Unido e a UE, o sector pesqueiro galego debe ser tratado en condicións de igualdade", indicou Ana Miranda, e iso pasa, sinalou por suprimir o principio de estabilidade relativa. Un criterio de reparto de cotas baseado nos niveis históricos de capturas que implica unha porcentaxe fixa do esforzo pesqueiro autorizado para as principais especies comerciais en cada Estado membro. Nese marco, o estado español conformouse cun repartodun 4% das capturas europeas, co que Galiza e a flota galega, ten unhas cotas de pesca moi inferiores á nosa capacidade pesqueira. Pola contra, un estado como Dinamarca ten o 41%. |
NOS_24034 | O Congreso estuda un proxecto presentado por deputadas da oposición tras o paso dado polo Lexislativo do país veciño. | Santiago de Chile foi escenario nas últimas horas de protestas pacíficas en demanda da legalización do aborto no país. Na cuarta feira iniciouse no Congreso o debate sobre a despenalización da interrupción do embarazo até as 14 semanas. Na capital chilena máis de 200 mulleres congregáronse con panos verdes, símbolo da campaña que se estendeu por todo o continente en apoio aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. O proxecto de lei foi impulsado por un grupo de deputadas da oposición e recibirá propostas para a súa modificación até a vindeira terza feira. A proposta chega pouco máis de dúas semanas despois de Arxentina legalizar o aborto. Neste sentido, a deputada Maite Orsini, presidenta da comisión de debate no Congreso, asegurou que "sen dúbida a marea verde de Arxentina espertou unha conmoción en Latinoamérica e no mundo". "Os abortos existen e seguirán existindo. Nas nosas mans está deixar de perseguir adolescentes e mulleres que non teñen recursos para o faceren en clínicas disfrazado de apendicite", manifestou. Varias deputadas da dereita, como Unión Democrática, mostráronse contrarias ao proxecto. O texto contempla a despenalización do aborto, non a súa legalización xa que segundo a Constitución de 1980 ─aprobada polo ditador Pinochet─, o Parlamento non pode presentar proxectos de lei que incorran en gasto fiscal, como sería o aborto legal, unha prerrogativa do presidente. Mapa latinoamericano O paso dado na Arxentina impulsou os movementos en todo o continente. Por exemplo, en Porto Rico a campaña de Aborto Libre, Seguro e Accesíbel convocou esta semana unha manifestación para exixir que o novo Parlamento protexa os dereitos reprodutivos e sexuais das mulleres. Porto Rico é canda o Uruguai, Cuba, a Guaiana, a Guaiana Francesa e a Arxentina un dos países de Latinoamérica que permiten abortar sen condicións nas primeiras semanas de xestación, segundo o prazo estabelecido polas súas leis. No Salvador, Honduras, Nicaragua, República Dominicana e Haití está prohibido sen excepcións. No resto hai unha serie de supostos como a violación ou a inviabilidade do feto. Entre estes, Paraguai, Venezuela, Guatemala, Perú e Costa Rica teñen lexislacións máis restritivas e só despenalizan o aborto en caso de que a vida da embarazada corra perigo. En México depende de cada Estado e só é legal sen condicións en Oaxaca e Cidade de México. Tras a votación no Senado arxentino, José Ramón López Beltrán, fillo maior do presidente mexicano, Andrés Manuel López Obrador, escribiu no Twitter: "Xa nos toca". |
NOS_11415 | Entre o 17 de maio de 1963, cando un grupo de galeguistas decidiron conmemorar un século da publicación de Cantares Gallegos, e o de 2011, dedicado ao poeta Lois Pereiro, transcorreu medio século de homenaxes. La letteratura galega. Autori e testi pércorreo para o lectorado italiano. | Os centros de estudos galegos de Padua, Roma e Perugia encargáronse da publicación, dentro da colección Finisterrae da editorial Carocci Editore. Colaboraron a Real Academia Galega e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística. "O volume pretende ser unha obra de referencia e utilidade para quen se achegue desde o italiano ás letras galegas", sinala nun comunicado a Academia. O libro inclúe as versións galegas orixinais dos materiais. "No mapa das linguas románicas non hispánicas non existe un volume tan representativo do noso discurso literario", escribe no limiar o académico e ex presidente da Academia Xesús Alonso Montero. Os editores son Giovanni Borriero, director do Centro de Estudos Galegos de Padua, e Gemma Álvarez Maneiro, ex lectora do mesmo centro. La letteratura galega. Autori e testi inclúe as biografías das 50 escritoras e escritores, as súas bibliografías e "unha escolma de textos representativos en versión orixinal e a correspondente tradución ao italiano". A maiores, tres apéndices serven para contextualizar a literatura galega entre o Rexurdimento e o final do século XX, con información sobre feitos históricos, publicacións periódicas, mapas e un glosario. |
PRAZA_4765 | O Consello Nacional do Bloque envía ás comarcas a proposta de alianzas para a Eurocámara. Anova, asegura Xavier Vence, segue a ter a porta da coalición aberta. | Desvelouse a incógnita. Despois de que o cambio de rumbo de Esquerra Republicana de Catalunya mudase os plans iniciais o BNG xa ten roteiro para tentar volver sentar no Parlamento Europeo. O Consello Nacional do Bloque aprobou este sábado a aposta da formación frontista para as eleccións de maio, unha proposta que agora terá que ratificar a militancia e que segue a ter unha pata galega, outra vasca e outra catalá. Se os e as militantes o apoian, o BNG irá aos comicios en coalición con EH-Bildu e a Candidatura d'Unitat Popular, a CUP Nun proceso que, en verbas do portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, "empeza nas bases e remata nas bases", o máximo organo da organización entre asembleas considera esta alianza como a mellor opción para "garantir que Galiza acade unha voz forte en Europa para a defensa dos seus intereses de país e para a construción doutro modelo de Europa, social e dos pobs". Estes principios serán os que defenderá unha candidatura que pola banda galega terá a Ana Miranda como cabeza de cartel, seguida por Xosé Manuel Carril e Olaia Rodil. Bieito Lobeira encabeza a comisión electoral do BNG Activistas contra a estafa das preferentes como Xesús Domínguez e Xulio Vicente ou rostros coñecidos do mundo da cultura como Suso de Toro e Isabel Risco forman parte tamén dunha lista que pecha simbolicamente o propio Vence e que desenvolverá unha estratexia electoral dirixida polo secretario de organización, Bieito Lobeira. A eles e elas corresponderalles desenvolver un programa electoral que parte da base da necesidade de "rachar co papel dependente do noso país" a respecto "do Estado español, tamén ante as institucións comunitarias". Sobre Anova, Vence asegura que o convite do Bloque "segue enriba da mesa" Nesta liña, explica o líder nacionalista, os candidatos e candidatas á Eurocámara defenderán "o galego como lingua oficial" na UE e "proporán a xestión directa por Galiza de todos os fondos que lle correspondan", ademais de apostar pola influencia directa do Goberno galego "na elaboración de políticas vinculantes que afecten aos seus sectores produtivos". Trátase, di Vence, de que o Bloque sexa unha "forza útil para Galiza en Europa" e, ao tempo, de "axustar contas coa troika e coas forzas políticas que aplican as súas consignas". Coa política de alianzas encarreirada Vence asegura que, de cara ao propio país, a porta do BNG segue aberta para Anova. "A proposta que o BNG fixo desde o principio segue enriba da mesa", afirma, nun escenario no que a formación frontista está "pendente" de que a organización que encabeza Xosé Manel Beiras "decida cales son os seus aliados de cara ás eleccións europeas". |
NOS_43878 | Os incendios de Valdeorras e O Courel seguen descontrolados. | A vaga de lumes que afecta a Galiza desde a pasada quinta feira continúa sen control tras arrasar unhas 30.000 hectáreas. Os dous incendios principais, no Courel e Valdeorras, rexistran xa unhas cifras históricas, por enriba das 10.000 hectáreas calcinadas cada un. Os incendios do Courel e Valdeorras, aínda descontrolados, son xa os maiores da historia da Galiza Segundo a última información da Consellaría do Medio Rural ás 13.30 horas desta quinta feira, o noso país conta con catro focos por enriba do milleiro de hectáreas. O lume chega ao concello de Ourense Aliás, segundo vén de informar a Consellaría, contra as 17.05 horas principiou un incendio forestal na parroquia de Canedo, no municipio de Ourense, que aínda segue activo. Traballan na súa extinción tres motobombas, dúas brigadas e un axente. O Courel e Valdeorras Os dous incendios que máis preocupan agora mesmo son, precisamente, o de Folgoso do Courel e A Pobra de Brollón, que afecta xa máis de 10.500 hectáreas; é o de Carballeda de Valdeorras, que afecta os concellos veciños do Barco e Rubiá, ademais de varias poboacións en León, e que tamén arrasou 10.500 hectáreas. 25 veciños e un brigadista con motobomba evitan que o lume arrase a parroquia de Folgoso Estes dous lumes teñen, ademais, activada a Situación 2 pola proximidade das lapas ás vivendas. En concreto, aos núcleos de Parada dos Montes e Carballal (Folgoso do Courel) e Busto (A Pobra do Brollón); así como ao de Candeda, en Carballeda. En León, o incendio de Valdeorras motivou tamén o desaloxo de dous núcleos en Puente Domingo Flórez. Aliás, no concello de Folgoso do Courel hai activo outro lume, iniciado na parroquia de Seceda e que queimou xa unhas 1.100 hectáreas, coa Situación 2 de alerta activada pola súa proximidade ao núcleo de Gamiz. Vilariño de Conso e Oímbra O outro gran incendio activo agora mesmo é o de Vilariño de Conso. Especialmente preocupante é a situación na parroquia de Pradoalbar, na que xa hai 5.200 hectáreas queimadas, principalmente no Parque Natural do Invernadoiro. As chamas axexan as vivendas de Feces de Cima (Verín) e volve decretarse a máxima alerta Por outra parte, o municipio de Oímbra conta con tres incendios que entraron de Portugal. Dous deles, en Videferre (600 hectáreas) e San Cibrao (400 hectáreas), foron estabilizados, segundo a Xunta, nas últimas horas, mais seguen sen estar controlados. O terceiro foco, en Rabal, continúa activo tras queimar 1.800 hectáreas. [VÍDEO] Así traballan as brigadas para evitar que o lume calcine por completo o parque natural do Invernadoiro Resto de incendios A lista de incendios en Galicia complétase con outra media ducia de focos. O de Rodeiro, na parroquia de Guillar está controlado despois de calcinar 200 hectáreas. No concello de Cervantes hai dous lumes, o do Castro, que está controlado e queimou perto de 20 hectáreas, e o de Cereixedo, estabilizado e con 65 hectáreas. En Quiroga, o lume de Outeiro está controlado, con 250 hectáreas, e o de Nocedo está estabilizado, con 15 hectáreas. Brigadistas critican a falta de medios: "A xente ten que saber quen é responsábel de que arda sen control medio país" A eles súmanse os incendios controlados en Pas, na parroquia de Ramil (375 hectáreas), e en Antas de Ulla, na parroquia de Santa Mariña do Castro de Amarante, con 40 hectáreas calcinadas. A esta superficie hai que engadir 619 hectáreas de terreo arrasado por incendios que Medio Rural notificou como extinguidos nos últimos días. |
NOS_12974 | A deputada nacionalista Ana Luísa Bouza presentou dúas proposicións non de Lei nas que se lle pregunta ao goberno galego que fai cos cartos que ingresaron @s pensionistas polos fármacos. A voceira de sanidade do BNG desconfía de que vaian parar a campañas de publicidade. | O BNG presentou no Parlamento galego, da man de Ana Luísa Bouza, voceira nacionalista de Sanidade, dúas proposicións non de Lei relativas ao impacto nos ingresos d@s pensionistas polo repago farmacéutico. "Núñez Feijoo debe explicar o destino do recadado e confirmar que non será empregado para cumprir o déficit ou en campañas de publicidade", asegurou ao tempo que sinalaba que coincidira cunha "campaña publicitaria" para animar ás persoas doentes a racionalizar o gasto en fármacos. A deputada sinalou que era "moita coincidencia" e aproveitou para sinalar que non compartía a culpabilización das propias persoas enfermas ás que se lles está obrigando a pagar máis polos fármacos. Bouza: "Núñez Feijoo deber explicar o destino do recadado" Bouza tamén criticou o "talante antidemocrático" que amosou o PP ao facer público os resultados do primeiro mes de repago antes de seren publicados. Para a nacionalista estes datos non representa un aforro no gasto farmacéutico "porque non diminuíu de maneira considerábel o número de envases, a cantidade de fármacos nin o prezo dos mesmos, o que realmente se produce é unha transferencia de gasto farmacéutico aos particulares". |
NOS_43033 | Ás 9h deste domingo abriron os colexios electorais que, seis meses após o 20D, recollerán até as 20h os votos que elixirán os 23 escanos por Galiza no Congreso e as representantes no Senado. Máis de 2,25 millóns de galegos e galegas están chamadas ás urnas. | Nos 314 concellos galegos constituíronse 3.924 mesas electorais, dez menos que nas eleccións xerais falidas do 20 de decembro. Nas mesas –repartidas por circunscricións da seguinte maneira: 1.537 na Coruña; 557 en Lugo; 548 en Ourense e 1.342 en Pontevedra- depositaranse os votos que darán entrada a 23 parlamentares no Congreso -8 pola Coruña, 7 por Pontevedra, 4 por Lugo e 4 por Ourense, amais de 16 escanos no Senado. Preséntanse, entre Congreso e Senado, 70 listas. Segundo os dados do INE, un total de 2.258.131 galegos e galegas residentes en territorio estatal poderán votar (7.681 menos que no 20D), amais das 20.082 persoas emigrantes (2.471 persoas menos que en decembro) inscritas no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA). Aumentou un 32% o voto por correo a respeito do 20D A respeito do voto por correo, sumaron máis de 72.000 as persoas que optaron por usar este sistema no noso país. Foron 18.000 persoas máis que o 20D (un 32%). Cifras estatais Están chamadas a participar nestas eleccións xerais 36,5 millóns de persoas que elixirán máis de 3.800 candidatos e candidatas repartidas nun total de 545 listas. Estas son as cifras dos comicios a nivel estatal. A nivel estatal preséntanse 3.816 candidatos e candidatas Ás eleccións que teñen lugar este domingo preséntanse un total de 3.816 candidatos e candidatas, unha cifra menor que a das xerais do 20 de decembro, cando se presentaran 4.353 aspirantes. Tamén caeu o número total de candidaturas ao Congreso a respeito do 20D. Hai cinco meses rexistráranse 625 listas, das que 605 recibiron o visto e prace das Xuntas Eleitorais, mentres que para o 26X se rexistraron 572 e pasaron o filtro 545. Aliás, as 36,5 millóns de persoas que poden votar terán a posibilidade de elixir 1.317 persoas candidatas a ocupar un escano no Senado. Son 226 menos que as 1.543 persoas que aspiraban ao mesmo posto o 20D. Concorren á Cámara Alta 582 candidaturas, 75 menos que o 20D. Dados de participación Ao longo da xornada, o Ministerio do Interior fornecerá os distintos dados de participación. Nas anteriores eleccións do 20 de decembro, a abstención acadou na Galiza o 27% (611.692 persoas non votaron). A nivel estatal a porcentaxe foi lixeiramente menor: 26,8% (máis de 9,2 millóns de persoas ficaron sen votar). Nas anteriores eleccións do 20 de decembro, a abstención acadou na Galiza o 27% Sermos Galiza informará das cifras de participación en directo, así como do transcurso da xornada electoral. Estímase que ás 22.30h os resultados das eleccións sexan definitivos. |
NOS_33798 | A entidade presidida por Juan Carlos Escotet creceu o pasado ano grazas ás integracións de Bankoa e Novo Banco | Abanca gañou 323,3 millóns en 2021, un ano "moi retador", como o cualificou o seu presidente, Juan Carlos Escotet, que destacou a recuperación de determinados segmentos de negocio respecto a antes da pandemia, tales como hipotecas, créditos a autónomos e pemes, así como un incremento "considerable" de clientes (+9,2%). Na rolda de prensa de presentación de resultados, Escotet tamén salientou que a entidade saíu "reforzada" da crise, en parte gracias ás integracións dos negocios de Bankoa, completada no primeiro trimestre do exercicio, e do negocio de Novo Banco no Estado español, aínda pendente de rematar. De feito, o presidente de Abanca valorou como "un éxito" estas operacións, que permiten mellorar a súa rendibilidade estrutural, cun crecemento tanto de negocio (aumenta 57% respecto a 2018 e 9,7% para o sector) como de rendibilidade (os ingresos aumentan 26,3% mentres que o sector perde un 5,4%). A entidade baseou o seu resultado no aumento dos ingresos recorrentes, cun avance do 6,2% na marxe básica. En paralelo, continuou coas medidas de control de gastos, o que permitiu mellorar a marxe recorrente 33,1% até alcanzar os 241 millóns. O negocio portugués, considerado "estratéxico" por Escotet, representou case 10% dos beneficios, e bateu obxectivos tanto en financiamento como en captación de recursos. Moratorias pola Covid Respecto ás moratorias concedidas durante a pandemia, o conselleiro delegado da entidade, Francisco Botas, indicou que "non tiveron un impacto significativo". Máis de 95% xa venceron e só 2,5% pasaron a converterse en mora. Precisamente, Botas destacou este indicador, que se situou en 2,1% (1,8% descontados os datos de Bankoa e Novo Banco), moi por debaixo da do sector (3,5%). Xunto a este dato, tamén puxo en valor o comportamento das subscricións netas de fondos de investimento, que se triplicaron no perído grazas á xestión discrecional de carteiras. Así as cousas, Abanca fecha o exercicio 2021 cun exceso de capital sobre requerimentos de 1.527 millóns de euros e un volume de negocio que se sitúa xa nos 108.682 millóns de euros, o que representa un crecemento de 18,8% interanual |
PRAZA_7577 | A Cadena Ser accede a documentación con ameazas aos empregados das antigas entidades: "As persoas que non saiban ou non queiran vender preferentes deberían preguntarse se realmente queren tomar parte da caixa e do seu futuro". | A dirección das antigas caixas presionou os seus empregados para que comercializasen produtos financeiros como as preferentes, en cuxa estafa están agora atrapados milleiros de galegos que continúan coas protestas día a día. "As persoas que non saiban ou non queiran vender preferentes deberían preguntarse se realmente queren tomar parte da caixa e do seu futuro", pódese ler nun correo electrónico enviado ao cadro de persoal en abril de 2009. Esta é unha das frases coas que os xestores das entidades advertiron os seus traballadores para que accedesen a vender o que se acabarían demostrando como parte dun inmenso engano. "As preferentes son a nosa empresa; debemos estar totalmente convencidos do que vendemos, senón é que temos dúbidas sobre a nosa empresa" Así o adiantou esta tarde a emisora galega da Cadena Ser, que tivo acceso a documentación das antigas caixas que acabaron conformando Novagalicia Banco. "As preferentes son a nosa empresa; debemos estar totalmente convencidos do que vendemos, senón é que temos dúbidas sobre a nosa empresa", di outra das aseveracións ás que fai referencia a canle de radio, que destaca ameazas como estas que saían da dirección de Caixa Galicia. Precisamente, a antiga caixa de aforros con sede na Coruña destacaba nunha desas comunicacións aos seus traballadores que as preferentes tiñan "unha importancia vital" para a empresa porque lle ía achegar á entidade "a solvencia necesaria". Así, e en abril de 2009, a dirección amosa a súa preocupación polo "parón sufrido na contratación" das devanditas preferentes e deciden presionar os directores das sucursais e os empregados para que incrementen as vendas. Caixa Galicia repartiu un argumentario onde se indicaba que responder ante as dúbidas dos clientes Ademais, e tal e como destaca a Cadena Ser, nese mesmo ano e con dúbidas xa sobre a solvencia das caixas, a dirección repartiu un argumentario entre o cadro de persoal sobre as participacións preferentes. Incluso se aclaraban as respostas que habería quedar en caso dalgunhas preguntas. Por exemplo, á de por que Caixa Galicia paga un 7,5% de interese debíase responder que "se trata dun produto que premia a fidelidade" dos clientes. "Por que emite agora a entidade participacións preferentes?". "Porque a caixa se anticipou ao desencadeamento da recesión mundial e non deixou de reforzar a súa solidez". Antes, en documentación oficial de 2003, Caixanova falaba das preferentes como "un produto de gran seguridade e alta rendibilidade". O obxectivo, segundo a entidade con sede en Vigo, é "colocalo en pequenas cantidades a un gran número de aforradores". Malia o "carácter perpetuo" das preferentes, pídenlles aos directores que digan aos clientes que poden recuperalo nun prazo de 15 días a través dun mercado secundario habilitado pola caixa para facer a devolución efectiva. |
NOS_22780 | Cando Antón Reixa (Vigo, 1957) e Os Resentidos publicaron as súas primeiras gravacións, nada volveu ser igual. Dúas cancións dadaístas sobre fondo soviético e o aire radical de The Residents, incluídas no EP compartido con Siniestro Total Surfin' CCCP (1984), abriron unha das máis abraiantes carreiras da música galega. Ademais de poeta singularísimo, Reixa inaugura a nova sección de Sermos Galiza Albums de aquí e acolá. | "O disco de Safari Orquestra", responde á comprometida, difícil, pregunta de que disco galego lle fala máis ao caso. "Descubrín unha proximidade afectivo xeográfica co traballo que eu facía", relata, "que me fixo sentir reconfortado". Ben deitei (2010) titulouse aquela gravación, que reactualizaba a electrónica británica máis negroide. Á sombra de Massive Attack e a vaga trip hop, Emilio López e Xermán Viluba -ambos os dous ex Skornabois-, Arturo Vaquero, Dr. Think e Laura Romay construíron un artefacto cálido e a deshoras "Eu empezaba a compoñer con Kaki Arkarazo e colaboraba con Xabi Pez", fai memoria, "e Xabi insistíame en que non cantase, que falase". Para convencelo, púñalle un exemplo: o Vol.1 (1993), de Guru Jazzmatazz. "Serviume, achegoume ao spoken word". Ese é o disco internacional que prefire Antón Reixa. Aleación de hip hop e jazz, non resulta difícil identificar a súa influencia nos discos de Nación Reixa, o seu proxecto con Kaki Arkarazo. "Axudoume, ademais, a recuperar o gusto polo jazz e o funk", conclúe. |
NOS_49301 | Os centros de ensino e escolas infantís galegas superan por primeira vez o millar de casos de coronavirus desde o inicio do curso. Suman, segundo os datos facilitados polo Sergas este sábado, 1.086, tras 85 novos contaxios nas últimas 24 horas. | En total, 51 aulas están en corentena pola incidencia da Covid-19, catro máis que na sexta feira, e continúan fechados o Punto de Atención á Infancia de Boborás e a escola infantil Golfiños de Lugo, tras unha semana de aumento continuado no número de casos. A área de Vigo, que ao longo dos últimos días foi incrementando de forma sostida a incidencia do virus, sitúase á cabeza nos contaxios do ámbito educativo. Presenta 272 positivos , entre alumnado e persoal docente, e mantén fechadas una ducia de aulas. Nesta área sanitaria, o CPR Plurilingüe Apóstolo Santiago de Vigo e o CPR Plurilingüe Lareira de Mos, con 12 persoas afectadas en cada caso, son os máis afectados do país. A área da Coruña, con 173 positivos (+16 con respecto ao día anterior) e seis aulas fechadas, e a de Compostela, con 153 casos (+8) e catro unidades clausuradas, son as seguintes localidades con maior incidencia. Esta última conta cun importante número de casos no CPR Plurilingüe Compañía de María, que concentra oito, e no CEIP Pío XII e o CPR Plurilingüe La Salle, con sete en cada caso. Tamén destacan a escola infantil Cativos de Conxo, con dous positivos e tres aulas fechadas, e a escola municipal A Magdalena de Ames, con cinco contaxios e unha aula clausurada. A de Ferrol é outra área na que soben os positivos relacionados con centros de ensino, até os 115 (+4), aínda que as clases clausuradas continúan sendo seis. Na área de Lugo, que suma desde onte 19 casos activos, até os 122, ten suspendidas as clases en seis unidades, ademais da escola infantil fechada por cinco positivos. En Pontevedra os positivos ascenderon nas últimas horas até os 126, que manteñen sete clases pechadas. O principal foco está no CPR Plurilingüe Sacro Corazón de Jesús, da Boa Vila, con nove contaxios. Pola súa banda, Ourense é a única área que baixa no total de casos activos de coronavirus, ata o 125-–un menos–, aínda que as aulas en corentena mantéñense en oito. Nesta área sanitaria destacan os seis positivos do CPR María Inmaculada de Verín, outros tanto no PAI de Boborás –escola infantil fechada– e os cinco do CPR Plurilingüe A Purísima ourensán. |
NOS_53776 | Os servizos xurídicos non consideran puníbel o acto simbólico. Os órgaos de goberno da cámara limítanse a considerar "impropia" a conduta de Luís Bará. | Bará nen sequer foi advertido pola presidencia da Cámara durante o debate en que, esta cuarta feira, rachou unha imaxe do monarca. Tampouco foi chamado á orde. Segundo puido saber Sermos, presións do PP -e de Monte Pío- levaron ao presidente do Parlamento a encarregar un informe aos servizos xurídicos con vistas a sancionar o deputado. Os letrados da cámara non deixan lugar a dúbidas no seu ditame. Non hai nada puníbel no acto do parlamentar. E, alén do máis, concluído o debate, nen a Presidencia nen a Mesa dispoñen de faculdades sancionadoras, foren económicas ou relativas aos dereitos de Bará como parlamentar. Sen o respaldo xurídico, a Mesa -un órgao político controlado pola maioría absoluta do PP e que se reuniu de urxencia esta sexta feira- fai unha interpretación moi restritiva do regulamento da cámara para concluír que a actitude de Bará suporía un "claro incumprimento" dos deberes dos parlamentares previstos no artigo 13 do regulamento da cámara e para estabelecer que, en función do artigo 105.1, o deputado pontevedrés tería tido unha conduta contraria ao decoro do Parlamento. A Mesa sinala que "a destrución da imaxe fotográfica do xefe do Estado nunha sesión parlamentar é unha conduta digna de reproche en sede parlamentar e impropia dun membro desta cámara". |
NOS_56603 | A coordenadora nacional de Esquerda Unida non se uniu esta quinta feira ao coro de voces que pide a demisión de Paula Quinteiro. | Perguntada na Coruña sobre a reunión que esta sexta feira manterá o Consello das Mareas -para eventualmente demandar á deputada que renuncie ao seu escano-, Eva Solla retrucou que ela só respondía polo contido da reunión tida onte polo grupo parlamentar. Nese encontro non se lle pediu a Quinteiro que entregase a acta de deputada. "No grupo parlamentar falamos. Ela pediu desculpas. Damos por boa esa petición de desculpas. Ela reiterou que non estaba implicada en ningún ilícito [en ningún delito]. Iso é o que asumimos no grupo parlamentar", indicou esta quinta feira na Coruña Eva Solla -vicepresidenta segunda da Cámara- abordada pola imprensa que cubría a súa comparecencia, inicialmente convocada para falar da privatización das especializacións sanitarias no CHUAC. "Ela xa saíu explicando a situación e pedindo desculpas. Iso é todo. Non merece ningunha valoración a maiores. Ela xa se desculpou e trasladou [ao grupo parlamentar] que é o que aconteceu e a utilización que se estaba a facer do que aconteceu" ,dixo. Solla colócase, por tanto, ben máis perto de Martiño Noriega -que esta cuarta feira tentou desdramatizar o asunto- do que da coordenadora de En Marea e Xosé Manuel Beiras, partidarios de que Quinteiro asuma responsabilidades e renuncie a continuar no Parlamento da Galiza. De acordo coa información publicada nalgúns meios, Paula Quinteiro viuse envolvida nun incidente, na madrugada do sábado ao domingo, entre a policía local de Compostela e un grupo de mozas e mozos que supostamente terían provocado destrozos -a rotura de espellos retrovisores- en algúns vehículos estacionados na rúa. Quinteiro tería amostrado aos axentes o seu cartón de identificación como parlamentar. Segundo o atestado policial, ao que tivo acceso Europa Press, a deputada tentou dificultar a identificación dun dos mozos por parte dos policías. Ela negouno esta terza feira, aducindo que simplesmente tentara mediar entre uns e outros. |
NOS_41308 | Nós Diario fala co portavoz municipal do BNG de Monforte, Emilio Sánchez, polo colapso dun piar nunha ponte da parroquia de Piñeira que obrigou a cortar de maneira total o tráfico ante o risco de derrubamento. O grupo municipal do BNG de Monforte foi quen denunciou o estado desta infraestrutura e presentou unha instancia para que se tomasen medidas para evitar "que non pasase nada a maiores". | En que estado se atopa actualmente a ponte da Piñeira? A ponte da parroquia de Piñeira atópase fechada agora mesmo e nun estado complicado, coa súa estrutura comprometida. Onte o Goberno municipal decidiu decretar o corte total do tráfico, despois de atender diversos estudos técnicos que lle proporcionou a empresa Estraco S.A., contratada pola vía de urxencia para que reforme a ponte. O Concello de Monforte decreta o corte total do tráfico na ponte de Piñeira polo colapso dun piar Nun principio a idea era só cortar o tráfico de vehículos pesados, máis os estudos desta empresa mostraban que era imprescindíbel o corte total do tráfico, porque existe o serio risco de derrubamento. Non é só que colapsase un dos tres piares centrais da estrutura. Na marxe dereita do río, onde se une a cemba coa viga central, abriuse unha fendedura importante. Fendedura na viga central Foi o seu grupo municipal o que detectou esta deficiencia na ponte, ou llo trasladou a veciñanza da parroquia? Xa houbo xente que na pasada sexta feira compartiu algunha foto, pero a min chegoume na segunda feira o do escorregamento dese piar que rematou por colapsar. Na terza feira fomos até o lugar no que está a ponte e vimos cal era a situación real da infraestrutura. Estivemos falando coa veciñanza e foron eles os que nos trasladaron a petición. Unha deficiencia nunha ponte sobre o río Cabe en Monforte obriga a fechar o tráfico a vehículos pesados Ao día seguinte, a través dunha instancia, o BNG de Monforte fixo unha solicitude ao Concello solicitando que se cortase o tráfico de vehículos pesados e que comezase unha valoración preliminar do estado da ponte, xa que todo o proceso de arranxala levaría moito máis tempo e isto tiña un carácter urxente. Pensábamos que cortar o tráfico era unha medida necesaria e primordial. O alcalde de Monforte, José Tomé, mencionou a medios locais unhas protestas que houbera por esta ponte a comezos dos anos dous mil. Están relacionadas co ocorrido estes días? O que ocorreu no ano 2001 non ten nada que ver con isto. Esta ponte foi construída a comezos de 1950. Despois foi ampliada cunhas beirarrúas a finais dos noventa, comezos dos dous mil. Que pontes construíu FCC na Galiza? O que pasou naquel momento e as alertas que houbo foron polos coidados superficiais da ponte. Ao final era unha infraestrutura que tiña cincuenta anos naquel momento, pero non tiña nada que ver con isto. Foi o alcalde quen sacou estas protestas da hemeroteca, pero non sei se foi para evitar que o sinalen ou responsabilicen do escorregamento do piar. O que pasou, pasou. Agora precisamos responsabilidade e serenidade para intentar evitar que non pase nada a maiores. |
PRAZA_16182 | Cando Joe Louis volveu da guerra, comprobou con horror que o seu peto dos cartos tiña un burato do tamaño de Alabama. | Cando Joe Louis volveu da guerra, comprobou con horror que o seu peto dos cartos tiña un burato do tamaño de Alabama. O púxil levaba tres anos dando voltas por Europa, animando as tropas americanas que loitaban contra os nazis, e mentres o exército estadounidense o paseaba para motivar a tropa, o Servizo de Impostos Internos facíalle un traxe ás súas finanzas. Malia aos enormes ingresos que acumulara como estrela do boxeo, Louis nunca pagara taxas e, ademais, a maior parte dos cartos empregáraa en pagar casas, médicos, coches e caprichos á súa extensa familia e á clásica cohorte de amigos de última hora que lles aparece aos deportistas famosos. Por se fose pouco, non era precisamente unha quenlla nos negocios, pois fracasou sucesivamente poñendo o seu nome a un restaurante, unha empresa de seguros, un equipo de béisbol, unha granxa leiteira, unha pomada para o pelo, un licor, unha empresa de relacións públicas, un criadeiro de cabalos e unha cafetería. Nin estirando a súa carreira máis alá do que aconsella a lenda foi Louis capaz de tapar o burato da conta corrente. Mais despois de que en 1951 un emerxente Rocky Marciano o humillase sobre o ring, tivo que darse por vencido e retirouse. Debíalle cartos ao goberno, ao representante, a todo o mundo. As facturas acumulábanselle debaixo da porta e os acredores fritíano a chamadas telefónicas. Nin estirando a súa carreira máis alá do que aconsella a lenda foi Louis capaz de tapar o burato da conta corrente; a historia triste fixo portadas nos medios e mesmo os fans comezaron a enviarlle billetes por correo Fixo anuncios de cigarros, apareceu en obras de teatro. A historia triste fixo portadas nos medios e mesmo os fans comezaron a enviarlle billetes por correo. Na autobiografía conta con pena: "Ata os rapaces me entregaban os poucos dólares que daban aforrado. Un meniño chegou a enviarme dez céntimos nun sobre". Louis devolveu todas e cada unha daquelas doazóns, humillado. Nun último intento de solucionar os problemas económicos, púxose a pelexar nesa comedia que é a loita libre americana. "É mellor que roubar", díxolle a un xornalista que lle preguntou pola experiencia. "É coma ver ao presidente Eisenhower lavando cacharros", respondeulle a muller, aínda menos entusiasta. Non era bo teatreiro e odiaba o novo deporte, pero algunha vez mesmo facía cartos abondo para pagar unha factura. Disque dunha volta conseguiu aforrar 150 dólares para levar á esposa tomar algo. No bar, Louis atopou a un vello coñecido que lle contou unha historia lacrimóxena e lle pediu prestados 100 pavos. E el deullos. |
NOS_29634 | O ferrolán gaña tamén o Mundial de media triatlón unha semana despois de conseguir o absoluto, que foi o cuarto, e amplía unha lenda case única no deporte galego. | Dous mundiais nunha semana. Javier Gómez Noya conseguiu este domingo en Canadá o título mundial de medio triatlón despois de que sete días antes se fixese co absoluto, que era o cuarto do seu palmarés. Amplía así a súa lenda o ferrolán, que ten xa no seu poder o oficioso título de mellor deportista galego de todos os tempos. Só o 0uro nuns Xogos se lle resiste a Gómez Noya, que obtivo a prata en Londres 2012 pero só puido ser cuarto catro anos antes, cando os problemas físicos lle xogaron unha mala pasada na recta final. Pero ten catro mundiais, tamén títulos europeos e estatais. Só David Cal e se cadra Luis Suárez poden discutirlle a Noya a consideración de mellor deportista galego de sempre E nunha disciplina completa e durísima. E logo de superar a prohibición médica que lle impediu competir durante un tempo e que combateu con toda a forza até recuperar a licenza. Adestra en Pontevedra. E aínda lle queda carreira por diante. En realidade, só David Cal -padexeiro con catro medallas olímpicas- e se cadra o futbolista Luis Suárez -Balón de Ouro -o único xogador do Estado español en conseguilo-, campión de Europa- poden discutirlle esa consideración de mellor deportista galego de todos os tempos a Gómez Noya; sobre todo o primeiro, se ben tamén é certo que a carreira de Cal é menos constante -centrada nos Xogos- e que a súa figura esperta moitas menos simpatías, entre outras cousas polo seu evidente vencello e utilización por parte do PP. |
NOS_56435 | Denís Suárez, xogador do FC Barcelona nado en Salceda de Caselas convida a participar na iniciativa. | O portal "Escola nas ondas!" , o primeiro espazo para difundir e espallar os podcasts e os programas das escolas galegas e portuguesas e de todo o ámbito da lusofonía, acolle as producións elaboradas por escolas das dúas beiras do Miño para o Día Mundial da Radio 2018. Escolas que realizarán programas en directo o día 21 de febreiro debido a que o día 13, o Día Mundial da Radio coincide coa celebración do Entroido. Denís Suárez, o xogador do FC Barcelona nado en Salceda de Caselas envíalle unha mensaxe a Ponte... nas ondas ! convidando á participación. As escolas ou os alumnos a título individual poden participar enviando os programas ou podcasts que desexen ao enderezo [email protected]. Tamén poden compartilos desde calquera plataforma como Ivoox, Soundcloud, Itunes, Spreaker, etc. Do mesmo xeito serán publicados na o portal audivisual imaxes ou vídeos que teñan como tema o deporte e a radio. Hai unha canle de vídeo para os traballos das escolas. Outra forma de participación é o envío de mensaxes de audio ou vídeo a través de Whats App ao número: 603 896 495 Entre as propostas que as escolas poden abordar nos seus programas están os xogos tradicionais, a relación dos deportistas e a radio, o xornalismo deportivo, retransmisión deportivas na radio, a igualdade de xénero no deporte, a lingua galega e o deporte, as olimpiadas e os deportes para-olímpicos, etc. |
NOS_50558 | Os primeiros votos do 9-N emitíronse nos antípodas, en Sidney, nas oficinas da Generalitat. A situación nos primeiros compases deste domingo é confusa, pero xa hai asistencia ás urnas masiva en Catalunya, con longas ringleiras ante os colexios. "Dificultan o futuro", afirman desde Moncloa. | A instancias da Fiscalía Xeral do Estado, a Fiscalía de Catalunya ordenou aos Mossos de Esquadra (policía catalá) que identifique os responsábeis da abertura dos locais eleitoriais dispostos pola Generalitat. O fiscal dirixiuse tamén á consellaría de educación do Govern para coñecer se ten cedido as súas instalacións para a consulta (denominada agora "proceso participativo" por parte das autoridades catalás). Porén, así como se abriron os colexios en Catalunya, a asistencia está a ser masiva, con longas ringleiras de espera desde primeira hora. Fiscalía quer saber se existen actuacións que podan seren constitutivas de delito após o Tribunal Constitucional ter suspendido a realización de calquer tipo de consulta este 9N en Catalunya. Homs atribuíu a acción da Fiscalía Xeral do Estado a unha estratexia do Estado español para afastar as cidadás e os cidadáns dos colexios eleitorais O Govern catalán reaxiu con rapidez emitindo un comunicado en que se atribuíu toda a responsabilidade sobre o dispositivo eleitoral visando exonerar de toda culpa ao exército de voluntarios, por volta de 30 mil, que está previsto participen na consulta. Mentres, os primeiros votos do 9N xa se emitiron, foron depositados nas xa célebres urnas de cartón no colexio eleitoral disposto polo Generalitat en Sidney, ás 9 horas de Australia, 23.00 horas nos Països Catalans. O portavoz do Govern, Francesc Homs, atribuíu a acción da Fiscalía Xeral do Estado a unha estratexia do Estado español para semear o medo e afastar as cidadás e os cidadáns dos colexios eleitorais. Mostrou a súa convicción de que esta estratexia está condenada ao fracaso e que este 9N se producirá unha "participación xigantesca e rotunda". Denuncia Pola súa parte, UPyD presentou unha denuncia contra o presidente da Generalitat, Artur Mas, e os consellers de Educación e Interior. A formación de Rosa Díez tamén solicitou a actuación das forzas de seguridade para pechar edificios públicos que albergan urnas do 9-N, así como o decomiso do material e a detención d@s voluntari@s no caso de que se lles identifique e se neguen. A denuncia preséntase por delitos "flagrantes e permanentes" de desobediencia, prevaricación e omisión do deber. Pola súa parte, o Goberno español asegurou que a votación catalá "é un exercicio antidemocrático e inútil", que ademais "non ten ningún tipo de efecto xurídico". As mesmas fontes de Moncloa dixeron á axencia Europa Press que o comportamento do presidente da Generalitat catalá, Artur Mas, "dificulta moito o futuro". |
PRAZA_5260 | José Julio Fernández dálle credibilidade aos informes de Cáritas sobre pobreza e malnutrición infantil desdeñados por Feijóo e Montoro e adianta que está a investigar un destes casos. O comisionado advirte sobre a pobreza enerxética e bate o récord de queixas de oficio. | A sanidade pública ocupa e preocupa. En plena vaga de protestas polos recortes e pola entrada do sector privado nun ámbito tan sensible como os servizos públicos de saúde o informe anual do Valedor do Pobo preséntase como un espello desa preocupación cidadá. Aínda que a estatística oficial reflicte que a área de actuación na que o Valedor abordou un maior número de asuntos foi a de medio ambiente, con 655, o ámbito sanitario presenta un importantísimo número de queixas individuais, con case 11.000 e, no caso da Xunta, a Consellería de Sanidade é a protagonista de case o 70% das reclamacións que teñen o Goberno galego como obxecto. No seu informe correspondentente ao ano 2013, presentado este martes, o propio comisionado parlamentario resalta que o número de queixas en sanidade é "rechamantemente máis elevado que o rexistrado no ano anterior" e atribúeo a "dous grandes grupos de queixas múltiples": as dos cidadans e cidadás que se dirixiron ao Valedor "para supervisar a actividade desenvolvida polo Hospital Povisa de Vigo", cerna das críticas pola súa asistencia, pola súa política de persoal e, sobre todo, polas súas elevadísimas listas de espera; e "para investigar a actuación administrativa a respecto do servizo de cirurxía pediátrica do complexo hospitalario de Ourense". O Valedor advirte das repercusións dos recortes sanitarios na vida das persoas Alén destes casos concretos, o Valedor aproveita o seu relatorio anual para realizar unha defensa da sanidade pública e mesmo para cargar contra algunha das medidas máis polémicas do PP, partido que designou como vicevaledor ao actual titular da institución, José Julio Fernández, que desempeña o cargo en funcións. "É incuestionable que o sistema público de saúde constitúe un dos piares fundamentais do noso Estado de Benestar", advirte o informe, no que se resalta que "calquera medida" de "eficiencia" na sanidade debe "preservar un sistema de saúde eficaz, equitativo e solvente". "Algunhas das medidas adoptadas a través das recentes reformas lexislativas -abonda- xeraron claras desavinzas na cidadanía" e estiveron na xénese do "incremento da actividade supervisora" do Valedor. Os poderes públicos deben "avaliar as consecuencias" das súas medidas "nos colectivos máis vulnerables", e por iso o comisionado alerta das repercusións do copagamento farmacéutico, da minoración de persoal "sen un rigoroso proceso de análise" ou do xeito en que se xestionan as listas de espera e se informa delas á poboación. A pobreza enerxética entra na axenda Entre as novidades deste informe do Valedor destaca tamén a entrada da pobreza enerxética na súa axenda de prioridades. Así, dentro dos asuntos de industria, comercio e turismo o defensor galego asume boa parte das teses rexeitadas polo PP no Parlamento e no Congreso dos Deputados cando a oposición reclamaba, por exemplo, o establecemento de treguas invernais para evitar os cortes de subministros básicos a persoas sen recursos. "Estamos en presenza dun problema que sofren algunhas familias con persoas desempregadas, xubiladas ou de avanzada idade con escasos recursos económicos", sinala o documento. O Valedor apela á Lei de Familia para que o Goberno aborde a pobreza enerxética mentres que o PP o rexeita no Parlamento "O primeiro paso para solucionar este probelma deuno o Comité Económico e Social Europeo", di o Valedor, en referencia ao ditame do organismo comunitario no que se recomendan, entre outras medidas, as devanditas treguas de inverno. En Galicia, di, "este problema permaneceu en estado latente, pero a crise económica puxo de manifesto a súa existencia e a necesidade dunha atención específica", tal e como acreditan, di, algunhas das queixas recibidas na institución. Dada a existencia do problema e a súa repercusión sobre a vida das persoas o Valedor apela a unha das leis máis publicitadas e polémicas das promovidas pola Xunta, a Lei de Familia, para lembrar que ese texto legal "preceptúa que se dispensará especial atención ás familias con dificultades derivadas da súa estrutura ou das súas circunstancias e a aquelas que se atopen en situación de especial vulnerabilidade ou en risco de exclusión social". A mesma lei, subliña, fixa como obriga dos poderes públicos "recoñecer e amparar á familia" en "todas as súas manifestacións e forma de organización". Sanidade pública en Praza |
NOS_27664 | No transcurso das eleccións primarias que realiza este sábado o PSdeG producíronse incidencias segundo interventores relacionados con Xaquín Fernández Leiceaga. Advirten de que non se cumpriu o protocolo de comprobación do nome da persoa electora co censo. | O Comité Organizador Nacional de primarias do PSdeG e a Comisión Nacional de Garantías Electoral vén de enviarlle unha advertencia á agrupación de Vigo após se rexistraren queixas por parte de interventores vinculados con Leiceaga a respeito da falta de comprobación das persoas electoras co censo. Tal e como publica Europa Press, contra as 13h chegou un aviso a Vigo no que o comité organizador e o de garantías lembraban que era preciso, á hora de votar, dicir en alto" o nome da persoa electora antes de emitir a papeleta. A asemblea de Vigo, na que se rexistrou a incidencia, está liderada por Abel Caballero, quen lle deu publicamente o seu apoio a José Luis Méndez Romeu. Esta noite, perto das 22h, daranse a coñecer o resultado das votacións que dirimirán quen será o candidato do PSdeG ás eleccións galegas, se Méndez Romeu ou Leiceaga. |
PRAZA_14682 | Helena Gómez, presidenta da Confapa, explica os motivos que levaron as asociacións de pais e nais a apoiar unha folga no ensino "contra os axustes e a reforma educativa" e a pedir ás familias que non manden os seus fillos a clase este xoves 18. "É un ataque directo á maioría social", advirte. | Os pais e nais únense á loita contra os recortes na educación. Ás mobilizacións e xornadas de folga convocadas polos estudantes uniranse este vindeiro xoves as anpas que, nun feito histórico, piden ás familias que non leven os fillos á escola nese día 18 para protestar "contra os continuos recortes e a reforma educativa" do Goberno central. "Temos moi claro que ata aquí chegamos; xa estamos cansos e isto ten que dar marcha atrás", explica Helena Gómez, presidenta da Confapa, a confederación que agrupa as anpas galegas e que secunda a convocatoria da Ceapa estatal. "Xa estamos cansos, ata aquí chegamos; isto ten que dar marcha atrás", di a presidenta da Confapa Malia os continuos insultos e provocacións recibidas desde o Executivo central, as anpas non dubidan do seu apoio á folga. Cualificados de "extrema esquerda radical antisistema" por parte do ministro de Educación, José Ignacio Wert, e comparados "cos de Batasuna" por parte do voceiro do PP no Congreso, Alfonso Alonso, os pais prefiren morder a lingua. Así, Helena Gómez aclara que as palabras son "tan, pero tan graves" que prefire non contestar directamente. "O que eu non vou facer é insultar coma eles; seremos extremistas ou o que el queira, pero coido que o que pretende é desviar a atención, incluso cando fala de españolizar nenos cataláns", explica a presidenta da Confapa, que advirte de que a súa postura, e a da maioría da comunidade educativa é clara: "Estamos pedindo a dimisión inmediata de Wert e de todo o seu equipo porque non están capacitados para levar o Ministerio de Educación". "As palabras de Wert son moi graves, pero eu non penso insultalo como fai el; só pido a súa dimisión" Ademais, e ante as críticas de quen acusa as anpas de querer "intrumentalizar e politizar os cativos", Gómez é clara. Como nai e como responsable da confederación. "O que facemos é un exercicio de civismo, de educación en liberdade; pedimos aos pais que non leven os rapaces ao colexio porque a maioría social deste país está sufrindo os continuos recortes e para que os nenos aprendan que o seu futuro depende destes axustes e da reforma educativa", explica, logo de aclarar que a convocatoria vai destinada unicamente "a aquelas familias que poidan conciliar". "Evidentemente, os nenos teñen que estar nos centros se ningún dos pais pode quedar con eles", matiza. "Non instrumentalizamos nenos; o que facemos é un exercicio de civismo e de educación en liberdade" Helena Gómez respira un ambiente "de fastío" e conta con que o apoio á folga, pero sobre todo ás mobilizacións, sexa masivo por parte dunha maioría de pais "que están fartos" e especialmente nun mundo rural "onde a xente está cansa de aturar recortes e axustes que lles afectan aos pais e aos cativos". "Ata aquí chegamos; é hora de facer un pacto educativo contando con toda a comunidade educativa e non de tomar decisións que afectan a escola pública e a toda a sociedade", insiste a presidenta da Confapa, que advirte de que "se o Goberno non dá marcha atrás", os pais "seguirán mobilizándose ata que escoiten". En canto ás esperanzas de que algo cambie no rumbo educativo marcado polo Executivo de Rajoy, Gómez ten claro que o PP "está esperando ao resultado das eleccións galegas". Sabe que o resultado electoral marcará, e moito, a política a seguir polas administracións na escola nos vindeiros anos, pero aclara que nas anpas son "apartidarios" e que a reflexión sobre o devir político de Galicia "pode ser individual, pero non como asociación". "Non aceptamos que cada vez que haxa un goberno novo toquen a educación; ademais, estase incumprindo constantemente a Constitución, que garante o dereito a acceder en igualdade de condicións ao ensino púbñico gratuíto", explica Gómez, que explica que a instauración das reválidas e só "un exemplo" da "elitización da escola" que pretende o ministro Wert. "A reforma educativa é ademais sexista, porque impón o concerto a centros que segregan por sexo, favorece o ensino privado, desprestixia e despide profesores, deixa na rúa os interinos... Todos para mermar a calidade da pública e favorecer a concertada e a privada", resume a presidenta da Confapa, que advirte tamén do "recorte nas bolsas do estudo, a eliminación do sistema de préstamo de libros ou as irrisorias axudas para a compra de material escolar". As anpas denuncian "a elitización do ensino" e o "favorecemento dos centros concertos e privados fronte á merma de calidade dos públicos" "É un ataque directo ao cidadán medio, aos obreiros e á maioría social; o Goberno do PP avoga por unha educación elitista e por que á universidade só vaian os ricos", engade Gómez, que ve nos pais un enfado moito maior que o doutros anos. "Cando antes protestaban os profesores sempre había quen dicía que o facían polo seu salario ou por egoísmo, pero agora as familias decátanse de que están loitando contra os recortes que afectan os seus fillos, contra a falta de profesores de apoio, contra a imposibilidade de dar titorías, contra a eliminación de rutas escolares... Están fartos", remata. |
PRAZA_9933 | O PP galego toma en consideración o documento pola pluralidade lingüística impulsado, entre outras entidades, pola Mesa pola Normalización. O programa da formación conservadora para o 28A diminúe o rango legal do idioma propio e contradí varias leis de gobernos populares. | O PPdeG mantivo este luns unha xuntanza con representantes da Mesa pola Normalización Lingüística dentro da rolda de contactos que a entidade está a manter coas formacións políticas para lles presentar o Manifesto a prol da pluralidade lingüística: liberdade, igualdade, democracia, promovido por este colectivo e outros na defensa dos dereitos lingüísticos de todos os idiomas do Estado. O deputado popular César Fernández Gil asegurou, segundo A Mesa, que "tomará en consideración" o documento, ademais de comprometerse a presentalo tanto ao grupo parlamentario como ao partido. Todo tan só uns días despois de que o seu líder a nivel estatal, Pablo Casado, presentase un programa electoral para os comicios do 28 de abril no que promete abertamente rebaixar o rango legal dos idiomas oficiais diferentes do castelán e faino mesmo contradicindo varias leis aprobadas baixo gobernos do poulares, tanto en Galicia como en España. O PPdeG di que tomará en consideración o manfiesto a prola da pluralidade lingüística que reclama "igualdade" para o galego mentres Casado aposta por rebaixar aínda máis o seu rango legalO manifesto --promovido pola Mesa e Kontseilua (País Vasco), Ómnium Cultural, Ciemen e Plataforma per la Llengua (Catalunya), Acción Cultural del País Valenciá (Comunitat Valenciana), Obra Cultural Balear (Illes Baleares), Nogará (Aragón) ou Iniciativa pel Asturianu (Asturias)-- recolle a situación de "desigualdade manifesta" das linguas diferentes do castelán no Estado, que recentemente foi denunciada en organismos internacionais como a Comisión de Dereitos Humanos da ONU, o Parlamento Europeo ou o Consello de Europa e mais no Congreso español.Fronte a esa discriminación tantas veces denunciada o PP propón no seu programa impulsar unha "lei orgánica de uso do castelán como lingua oficial do Estado" pola que "só terán carácter oficial aqueles actos administrativos que se realicen, cando menos, en castelán". Xa que logo, calquera texto en galego sen tradución anexa non sería aceptado en ningunha Administración. Nese novo marco, o castelán sería a "única lingua cuxo coñecemento" tornaría en "imprescindible" para "o acceso a un emprego público".A realización do plan de Casado traería consigo a desmontaxe de parte do corpo lexislativo que avala a cidadanía para relacionarse coas Administracións públicas en linguas oficiais que non sexan o castelán e contradicir en boa medida o espírito do artigo 3 da Constitución e a lexislación que se apoia nel.Alén disto, a proposta de Casado batería contra dúas leis recentes que proceden da lexislatura da maioría absoluta de Mariano Rajoy. Unha delas, a nova redacción do Estatuto Básico do Empregado pública, que fixa a obriga de "garantir a atención ao cidadán na lingua que o solicite sempre que sexa oficial no territorio" e que as Administracións deben "prever a selección dos empregados públicos debidamente capacitados para cubrir os postos de traballo nas comunidades autónomas que gocen de dúas linguas oficiais".A outra, a vixente lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, que fixa entre os "dereitos das persoas nas súas relacións coas Administracións públicas" o de "utilizar as linguas oficiais no territorio da súa comunidade autónoma" segundo a lexislación vixente.A promesa de Casado que non teñan "carácter oficial" os os "actos administrativos" en galego se non son traducidos ao castelán contradí a Constitución e normas aprobadas polo Executivo de Rajoy en 2015As propostas do PP irán tamén contra a lexislación galega. Por exemplo, contra a lei de normalización lingüística de 1983, aprobada naquela altura por unanimidade durante o primeiro goberno de Alianza Popular -dous membros deste grupo non asistiran á votación, un deles era Rajoy-. Esta norma, entre outros aspectos, evidencia que "as actuacións administrativas en Galicia serán válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial empregada". Isto é, as comunicacións oficiais en galego son plenamente válidas, igual que as ditadas en castelán. Ademais, por exemplo, a lei de garantía da calidade dos servizos públicos do ano 2015 evidencia como dereito das persoas usuarias destes servizos o de "utilizar e ser atendidas, segundo a súa escolla, na lingua galega ou castelá". Tamén agrega que o galego é a "lingua de uso normal e preferente en todas as actividades relacionadas coa organización e prestación dos servizos públicos". "Máis de 500 disposicións que amparan o español"Malia as intencións de Casado, tal e como lembra A Mesa, "existen máis de 500 disposicións legais que amparan o español". "Coñecer a lingua propia de cada territorio, no caso de Galiza o galego", explica, "non é requisito para o acceso á administración pública, incluída xustiza ou os corpos de seguridade; a presenza nos medios de comunicación públicos do Estado é anecdótica; e a lexislación restrinxe a presenza das linguas na etiquetaxe e información de produtos", di , a secretaria xeral da entidade, Mónica Pazos. "O incumprimento da Carta Europea das Linguas é flagrante", iniste, "e tal e como recolle o manifesto conxunto esta situación debe ser recoñecida, para avanzarmos nun Estado democrático". O manifesto avoga por que o Estado "estenda deberes e dereitos dos que até agora só se beneficiou o castelán, como son a capacitación en linguas propias do persoal de todas as administracións públicas, incluída a de xustiza, o seu uso xeralizado nas páxinas oficiais e o seu recoñecemento a nivel internacional e paridade co castelán".O BNG, que tamén se reuniu este luns coa Mesa, amosou o seu apoio ao documento que será presentado a outras formacións políticas durante os vindeiros días. Mentres o PPdeG di que que o tomará en consideración, o seu líder estatal insiste en reducir o rango legal do galego e poñerlle máis atrancos dos que xa ten. |
PRAZA_18269 | Os netos do ditador, tras alegar nun principio que non aceptaran aínda a herdanza familiar, adían agora o proceso xudicial advertindo de que un deles incluíu as estatuas na venda que da súa parte fixo á súa propia inmobiliaria. O Concello acúsaos de usar unha "estratexia dilatoria". | Nunha das últimas visitas guiadas no Pazo de Meirás, as estatuas de Isaac e Abraham seguían alí, na capela. Os Franco locen e amosan con orgullo as dúas figuras orixinarias do Pórtico da Gloria, logo propiedade do conde de Ximonde, mercadas en 1948 polo Concello de Compostela e en mans da familia do ditador desde hai máis de 60 anos tras unha suposta adquisición da que non hai documentación ningunha. Este pasado luns arrincou en Madrid o proceso xudicial polo que o consistorio santiagués reclama a titularidade das esculturas ante os herdeiros do xeneral fascista, que insisten nas artimañas para dilatar e atrancar calquera solución. Os netos do ditador alegaron nun primeiro momento que non podían ser os demandados por non ter aceptado aínda a herdanza da súa nai A demanda municipal foi presentada hai máis dun ano contra Carmen Franco, falecida en decembro de 2017. Ante o seu pasamento, a querela foi redirixida cara aos seus herdeiros, os sete netos do ditador, que alegaron que non podían ser os demandados porque non aceptaran aínda a herdanza. Esa foi a cuestión previa que este luns se tiña que dilucidar no Xulgado de Primeira Instancia número 41 de Madrid, logo de que os denunciados advertiran de que o destinatario da querela debía ser Luis Felipe Utrera-Molina, fillo do ex-ministro franquista e testamenteiro universal da herdanza de Carmen Franco. "Unha estratexia dilatoria, unha trapallada", definiu Martiño Noriega, alcalde de Santiago."Din que non aceptaron aínda a herdanza pero xa puxeron á venda o Pazo de Meirás e outras propiedades en Asturias e Madrid", engade Xoaquín Monteagudo, letrado do Concello, respecto da artimaña. Non é a única. Comezada esta vista previa o luns, a xuíza pregunta ao avogado dos Franco sobre as noticias de que un dos herdeiros tería transmitido a unha sociedade mercantil a súa participación nas esculturas. Ante a sorpresa da maxistrada, confirmou esa operación ademais de aclarar que, obviamente, os fillos tiñan aceptado xa a herdanza de súa nai. O avogado dos Franco advertiu á xuíza de que un dos herdeiros vendeu a súa parte das esculturas á súa propia inmobiliaria Foi Francisco Franco Martínez-Bordiú quen anunciou hai un mes á Xunta a súa intención de vender a unha das súas empresas --a inmobiliaria Pristina-- a parte que lle corresponde do Pazo de Meirás, comunicación á que lle obriga a Lei de Patrimonio Cultural por ser o inmoble un Ben de Interese Cultural (BIC). Nesa operación de traspaso da parte da súa herdanza á súa sociedade mercantil engadiu, segundo dixo o seu letrado, a parte que lle corresponde das esculturas do Mestre Mateo, propiedade agora de seis fillos de Franco e dunha empresa con sede en Madrid, co neto do ditador como administrador único e cuxos activos ascenden a uns 18 millóns de euros. A xuiza viuse obrigada a atrasar de novo o proceso, até o 19 de novembro, tras o anuncio dos Franco da venda de parte das estatuas Con sorpresa e enfado, a xuíza viuse obrigada a atrasar de novo o proceso até unha nova vista o vindeiro 19 de novembro. Antes, preguntou ao avogado dos Franco como non se advertira antes desa operación de venda nin se demostrara documentalmente, algo que deberá facer en catro semanas. "Iamos preparados para discutir sobre a aceptación ou non da herdanza e atopámonos con isto, sen previo aviso e sen achega documental ningunha", conta Monteagudo, que aclara que non se pode "fiar" das afirmacións do letrado da familia do ditador, que terá agora que demostrar o manifestado. Esculturas de Abraham e Isaac, o pasado mes de setembro no Pazo de Meirás / CC-BY-SA Praza Pública No fondo, como engade o letrado do Concello de Compostela, a cada vez máis clara evidencia dunha estratexia "dilatoria" que intenta agochar o feito de que os Franco "non teñen documento ningún que acredite a adquisición das esculturas". A súa estratexia limitarase, agás sorpresa, a defender a súa titularidade en base ao tempo que as figuras levan no seu poder. A demanda municipal remontase á compra das figuras por parte do goberno local da época en 1948 por un total de 60.000 pesetas para que pasasen a formar parte "do patrimonio artístico desta cidade". A documentación achada polo Concello así o acreditaría. O consistorio mercoulle as pezas ao conde de Ximonde, Santiago Puga, nun acordo que implicaba indemnizar con 400.000 pesetas o propietario ou os seus herdeiros se deixaban de ser patrimonio público. O Concello de Santiago achega a documentación achada que acreditaría a compra das esculturas ao conde de Ximonde As pezas, detalla o texto da demanda, foron situadas na escalinata principal da casa do Concello, no Pazo de Raxoi, e alí as atoparon Franco e a súa dona cando, no ano Xacobeo de 1954, visitaron a cidade o 25 de xullo para participar na ofrenda ao Apóstolo e inaugurar o antigo hospital como Parador Hostal dos Reis Católicos. Carmen Polo amosou ante o daquela alcalde compostelán, Enrique Otero, un "interese insistente" nas esculturas, "suxerindo de forma inequívoca que pasasen á súa posesión". Aínda que non existiu "formalidade ningunha" nin ningún acordo formal ao respecto, o certo é que o rexedor --no contexto da súa condición de subordinado do réxime ditatorial, evidencia a demanda-- deu en "compracer" a petición dos Franco. As históricas esculturas foron enviadas ao Pazo de Meirás e despois, á Casa Cornide da Coruña. Na súa seguinte aparición pública, na Exposición Internacional de Arte Románica celebrada en Santiago en 1961, xa apareceron como "cesións" do ditador e a súa esposa. O Concello santiagués solicita ao xulgado que condene os Franco a devolver as esculturas para quedaren expostas no Museo da Catedral As estatuas, sempre en propiedade dos Franco desde aquela, formaron parte dunha exposición no Pazo de Xelmírez, continuidade da que houbo no Museo do Prado entre novembro de 2016 e marzo de 2017, sobre a obra do Mestre Mateo. Ao finalizar, volveron ao Pazo de Meirás, onde permanecen ben á vista de calquera visitante que acceda á propiedade. O Concello santiagués solicita ao xulgado que condene os Franco a devolver as esculturas para quedaren expostas no Museo da Catedral. "Foi unha usurpación ou roubo de patrimonio público para unha familia particular e nun contexto de ditadura política", di Noriega Pero antes, os Franco insisten nas súas "estratexias dilatorias", como denuncia o alcalde compostelán, Martiño Noriega, que aínda así cre que unha vez iniciado o proceso "pódese esperar unhas semanas máis" no intento por demostrar que o que ocorreu con Abraham e Isaac "foi unha usurpación ou roubo de patrimonio público para unha familia particular e nun contexto de ditadura política". Para fontes xurídicas implicadas no proceso, esta táctica dilatoria dos Franco é "infantil". "A suposta vantaxe de gañar tempo no proceso non compensa o prexuízo da súa imaxe pública, é incomparable", din. Todo nunha primeira vista na que a maxistrada fixo ver con claridade o seu enfado pola estratexia seguida pola familia do ditador. |
NOS_32959 | Xogar en casa é un sufrimento para o Deportivo, que non acaba de achar a fórmula para gañar perante a súa freguesía. Este sábado, a equipa de Fernando cedeu dous pontos a un rocoso Mirandés (0-0). | Após 360 minutos de xogo os máis de 20.000 seareir@s deportivistas que costuman ateigar as bancadas riazoreñas só se teñen levado un gol á boca, o conseguido por JuanDo perante o Alcorcón, co que a equipa de Fernando obtivo o até agora único trunfo na casa. O Dépor continúa sen dar coa tecla, en parte por insuficiencias do seu reparto escénico (faltan futbolistas de banda), en parte por carencias físicas dalgúns dos seus principais actores (este sábado faltou Arizmendi e Culio, aínda que mellor, está lonxe dun óptimo estado físico), en parte porque a ansiedade o derrota perante a súa xente, o que fai que xogue sen a naturalidade precisa. Rudy non é un segunda punta, por máis que criase certo atrapallamento nas fileiras rivais, e Juan Carlos tampouco é un futbolista de banda Só este factor, a ansiedade, un stress galopante, pode explicar como un futbolista das condicións técnicas de Juan Carlos pode (m. 53) desbaldir a mellor ocasión criada pola equipa neses 360 minutos de xogo. Aconteceu cando Rudy deu desbordado a canto rival se lle puxo por diante. O portugués, que non ten a velocidade entre as súas virtudes, si foi desta volta quen de superar por pernas aos zagueiros. Por pernas e por caneo, por gambeteo. Niso, na arte de agachar a bola ao borceguí rival, é un mestre. Rudy, alén do máis, non se encheu da bola. Conduciuna o xusto. Entrou na área, co estadio abraiado, e cedeuna en bandexa de prata a Juan Carlos. As máis de 20.000 almas alí presentes contiveron a respiración. Borja entraba ao primeiro pao, despistando defensas. A bola chegou calmamente a Juan Carlos, que controlou ben. Tiña tempo para facer o que quiser. Era gol ou gol. Fallou. Bola contra a trabe Voltou Juan Carlos a ser protagonista apenas uns minutos despois ao pór con calidade unha falta, tamén desde a esquerda. Desviada lixeiramente por Bergantiños, a bola, tamén mordida polo guarda-redes, bateu contra a trabe, na segunda ocasión clara de gol dos galegos. Lux, como adoita, estivo practicamente de espectador. Desta volta, a equipa rival non criou perigo nen coas xogadas de estratexias. Algún apuntamento táctico? Basicamente poderiamos sinalar que Rudy non é un segunda punta, por máis que criase certo atrapallamento nas fileiras rivais, e que Juan Carlos tampouco é un futbolista de banda, porque non ten profundidade no despregamento físico e tampouco posúe a velocidade que se require para o desborde. Estivo ben Wilk no traballo destrutivo na medular e, mais unha vez, Insua revelouse como un defensa central que, de continuar a madurar, está chamado a destacar na Primeira División do fútbol español. En conclusión, o Deportivo desbaldiu unha nova oportunidade para se colocar no grupo cabeceiro de campionato. Fernando Vázquez terá de continuar a traballar para dar coa tecla. E se desde o clube se lle fornece dalgunha fichaxe máis, a ser posíbel algún carrileiro que teña o sprint e o centro entre as súas virtudes, pois mel nas filloas. Deportivo: Lux, Laure, Alex Bergantiños, Insua, Manuel Pablo, Wilk (m. 76, Luis), Juan Domínguez, Juan Carlos (m. 76, Luisinho), Rudy, Culio e Borja Bastón. Mirandés: Dani, César Caneda, Muneta, Iván, Mújika, Gaspar, Pablo (m. 66, Ríos Reina), R. de Galarreta (m. 88, Nagore), Iván Malón, Álvaro Corral e Díaz de Cerio (m. 78, Iriome). Árbitro: José María Sánchez Martínez, do colexio murciano. Cartón amarelo a Culio. Expulsou por protestos a Manuel Pombo, da equipa técnica deportivista. |
NOS_7798 | Tomando prestada parte da letra do himno galego de Pondal, preséntase o coleccionábel "Confín dos verdes castros e valeroso clan!". A nova publicación de Nós Diario, en 18 entregas, de terza a sexta feira do mes de xuño, permite un achegamento ao mundo dos castros da man de arqueólogos e especialistas que teñen un coñecemento de primeira man. Con datos científicos -mais nun estilo ameno e divulgativo- internámonos no mundo da cultura castrexa, con investigacións en permanente evolución e contraste sobre a orixe dun dos elementos que nos define como pobo. | O primeiro dos fascículos publicarase o 1 de xuño e consiste nunha introdución xeral ao mundo dos castros asinada por Felipe-Senén López Gómez, arqueólogo e coordinador do coleccionábel e que nos lembra que "a silueta dos castros configura os horizontes da paisaxe galega, asociados a lendas, a tesouros. Arqueoloxía que suscitou o interese de ilustrados e románticos, avivado nos anos do Modernismo. Na cultura castrexa póñense as orixes e a orixinalidade da Galiza". O 1 de xuño comeza o novo coleccionábel, de 18 entregas e coordinado polo museólogo e arqueólogo Felipe-Senén, sobre os castros galegos O museólogo dá conta nesta primeira entrega das crónicas do século IV, que recollen informacións anteriores, sobre como eran os poboadores daquel tempo, e que sinalan que as mulleres vestían saias con debuxos, que usaban camisas de liño, os homes tiñan guedellas como as mulleres e que, no combate, cinguíanas con diademas. Usaban espadas curtas, puñais de antenas e un pequeno escudo. Comían unha vez ao día, carne de ovella; practicaban a caza e a pesca; cultivaban cereais, leguminosas; facían pan de landras; bebían zumes de froitas; escaseaba o viño e xantaban sentados en bancos, arredor das paredes da casa, pasándose uns a outros os alimentos, comezando polos de maior idade. Despois da introdución xeral publicaranse os estudos sobre 17 castros da Galiza que se atopan escavados. Os artigos divulgativos, asinados cada un por distintas persoas investigadoras, trazan os datos básicos do poboado, os habitantes, as defensas, as construcións -murallas, foxos, casas-, así como outras pezas atopadas nas escavacións, e toda a información actualizada para valorar o patrimonio e a investigación, a través dun coñecemento ameno do que as "pedras nos din". Borneiro, Viladonga e Armea A arqueóloga Ana Romero Masiá achegaranos ao castro de Borneiro, en Cabana de Bergantiños, onde destacan entre os materiais pétreos atopados, pola súa abundancia, os muíños. Tamén informa das pedras de afiar e dos restos de moldes de fundición de metais. Felipe Arias Vilas redacta o fascículo sobre o Castro de Viladonga, no concello de Castro de Rei. O que foi membro fundador do Museo do Pobo Galego e director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza sostén que Viladonga é un dos mellores exemplos dos castros ocupados nas etapas prerromana e galaico-romana e, neste caso na fase máis tardía, até o final do Imperio Romano e mesmo coincidente coas primeiras décadas do Reino Suevo. Alba Antía Rodríguez e Patricia Valle dirixiron as sucesivas intervencións arqueolóxicas na Cibdá de Armea, en Allariz, e Adolfo Fernández é o director científico do proxecto Armea. Os tres, investigadores do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, asinan o fascículo sobre "A cibdá galaico-romana de Armea". Dan conta que desde 2011, intervense nesta zona sistematicamente -na parroquia de Auga Santas-, centrándose nun primeiro momento na re-escavación das estruturas documentadas nos anos 50 do século pasado, e, desde 2014, en novas zonas, obtendo secuencias estratigráficas e exhumando por completo dúas grandes domus, así como unha terceira de maneira parcial, a domus do Tríscele. Trátase dun asentamento cunhas características especiais que deixarán ás lectoras e lectores con ganas de ir visitalo. Castromao e San Cibrao das Las Outro dos asentamentos que inclúe o coleccionábel é Castromao, nas Terras de Celanova. Asina o traballo o arqueólogo municipal do Concello de Ourense, José María Eguileta. A visita a Castromao permítemos ver, indica o autor, os vestixios arquitectónicos das xentes que o habitaron, e valorar a situación estratéxica do castro. Destaca a ampla visibilidade que tiñan do seu entorno, tanto o inmediato como a moi longa distancia. Desde alí obsérvanse outros castros, próximos e máis distantes. O interior do castro estivo habitado até o s. II d.C., en fases xa avanzadas da romanización. Nun traballo de aproximación aos castros galegos escavados non podía faltar o de San Cibrao das Las, a cabalo dos concellos de San Amaro e Punxín. A arqueóloga Iolanda Álvarez achega un dato fundamental de contextualización sobre o tamaño e número de habitantes que podín ter. Sinala no seu traballo que os poboados castrexos están delimitados por murallas e foxos e teñen unha superficie media que oscila entre unha e dúas hectáreas, ocupadas por pequenos grupos dunhas 200 persoas. Este tipo de poboados definen a cultura castrexa durante máis de oito séculos, pero a partir do século II a.C. aproximadamente, aparecen algúns cambios que van transformando este modelo de ocupación do territorio. Un exemplo destas mudanzas é a existencia de grandes poboados como o castro de San Cibrao das Las, cunhas dimensións de case 10 ha e unha poboación estimada dunhas 2.000 persoas. Elviña, Troña, Santa Trega e Castrolandín Fidel Méndez, arqueólogo que dirixiu os traballos de escavación do castro de Elviña, achéganos información moi valiosa deste asentamento encravado na Coruña. Afirma que constitúe unha das cabeceiras comarcais da Terra dos Ártabros onde, case que con total seguridade, existirían outras de aplicar unha sinxela escala de rango-tamaño. Unha das singularidades deste castro consistiría no vínculo co porto emprazado na zona do Parrote, na Coruña, e que a maior parte dos autores identifican co porto dos ártabros das fontes clásicas. 'Nós Diario' analiza da man de persoas investigadoras 17 castros escavados O arqueólogo Alberte Reboreda estuda o castro de Troña, en Ponteareas, no corazón do val do río Tea, afluente pola dereita do Miño, unha zona de penetración de produtos de orixe mediterránea cara ao interior. Ocupado de forma ininterrompida entre os séculos VI-V a.C. e os séculos I-II da nosa Era, esta aldea fortificada especializouse na explotación de recursos primarios (agro, gando e pesca), pero tamén na fundición de ferro, material no que os ferreiros moldean por vez primeira na historia as ferramentas e as armas dos galaicos. Santa Trega non podía faltar no estudos sobre os castros galegos. O arqueólogo e profesor da Universidade de Oviedo Diego Piay -cunha tese sobre o priscilianismo- repara en que un dos elementos máis sorprendentes do poboado da Guarda é o que poderíamos denominar a "economía da auga"; nas zonas escavadas percíbese unha estratexia intensiva de aproveitamento da auga da choiva mediante a realización de alxibes e canais escavados no substrato rochoso. O investigador Héitor Picallo dá conta de Castrolandín, en Cuntis. E infórmanos dos resultados das campañas efectuadas até da data. Desde a primeira, en 2004, con Xurxo Ayán á fronte e nas seguintes (2005-2009), baixo a dirección de Carlos Otero Vilariño, até a máis recente (abril de 2021). Fazouro, Santa María de Cervantes e os Castros de Neixón O arqueólogo Luis Cordeiro analiza o castro de Fazouro, en Foz, na Mariña, á beira do mar e que segue un esquema similar ao de gran parte dos xacementos de promontorio da rasa costeira, isto é, recinto habitacional e produtivo situado nun ámbito peninsular do que se aproveitan as excelentes condicións de defensa natural aportada polos abruptos cantís. Outra tipoloxía ben distinta é a que analiza o arqueólogo Luis Francisco para o castro de Santa María de Cervantes, localizado nos Ancares, no concello de Cervantes. Situado na bacía do río Navia, intensamente explotada polos romanos para a extracción de ouro. Os Castros de Neixón atópanse emprazados nunha pequena península no extremo setentrional da ría de Arousa, na parroquia de Cespón, no concello de Boiro. É unha pequena lingua de terra situada fronte a Rianxo. Saberemos moito máis deles nunha entregada asinada por Víctor Barbeito, director do Museo Arqueolóxico de Neixón. A fin da viaxe Xurxo Ayán, arqueólogo implicado na escavacións do castro de San Lourenzo, localizado entre as aldeas de Nogueiras e Alende, na parroquia de Cereixa, concello da Pobra do Brollón, describe este asentamento sobre a marxe dereita do río Saa. O castro é un poboado fortificado vencellado á metalurxia do ferro e cristianizado en época altomedieval cunha necrópole. Tamén asinan traballos de investigación Miguel Vidal, sobre o castro da cidade, en Ribeira; Ángel Concheiro sobre o castro de Baroña en Porto do Son; Xosé Suárez Otero sobre o castro Facho de Donón en Cangas e, por último, completa as entregas un estudo sobre o castro de Doade, en Lalín, por conta da arqueóloga Vanesa Trevín. Subscríbete As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos. |
NOS_5349 | O talento é coma deus: non existe. O que existe é a Igrexa, con centos de anos de paixón e traballo constante, un bo plan estratéxico e de marketing e un público maduro para mercar o seu produto. | Estaba eu estomballada no sofá –por prescrición facultativa e non por preguiza como é habitual– a matinar a quen agasallaría coas miñas entradas para o concerto de Guadi. E alá rematei fedellando no móbil para atoparme coas novidades culturais do día: era 15 de novembro e tanto as Tanxugueiras –rapazas que adoro e admiro malia facérenme sentir vella coma ninguén o fixera antes– como Sabela (a de OT, si) viñan de publicar cadanseu single. Para que floreza o talento, fan falta unhas condicións determinadas, como na botánica De estilos e feituras ben diferentes, ambas as dúas propostas destilaban ambición por iren alén do que o mundo lles tiña previsto. Si, ese destino que viña tan ben resumido naquel artigo nun xornal "de referencia" que raiaba no racismo: "Sabela ha logrado por fin dejar huella en el programa olvidándose de la ambición, del lucimiento y de llenar estadios. Ella sabe que tiene un hueco de por vida garantizado en Luar". Pero deixando atrás a ira e volvendo ao caso que nos ocupa, estaba eu ben feliz pensando «ai, mira, no mesmo día saen videoclips das Tanxus e de Sabela, e a Guadi inicia xira dun disco fermosísimo». E, como non podía ser doutra maneira, a mente levoume directa a caer nun deses mantras autocompracentes da cultura galega: «Canto talento hai neste país (snif)». Unha parvada tan grande coma dicir: «Somos un país rico que está empobrecido (snif)», sexa o que sexa que signifique iso. O talento é coma deus: non existe. O que existe é a Igrexa, con centos de anos de paixón e traballo constante, un bo plan estratéxico e de marketing e un público maduro para mercar o seu produto. Claro que temos moito talento, ho, exactamente o mesmo que calquera outro país coas mesmas condicións ca nós. E para que este floreza fan falta unhas condicións determinadas, coma na botánica: unha humidade, unha temperatura, unha luz… Neste caso, un sistema cultural profesionalizado, un Goberno que o regue con xeito cando se precisa e, sobre todo, un público que o sustente. Ou o que é o mesmo, un país detrás. E agora que estamos no tempo do Culturgal, venme á cabeza a Feira de Durango, o seu equivalente vasco ao que puiden ir o ano pasado. Contrariamente ao que imaxinaba coñecendo os seus números non era tecnicamente mellor nin máis espectacular, máis ben ao revés. Pero alí, alén de moito máis público e empresas culturais, estaba Eroski, a Academia Vasca, as universidades, algúns museos… e unha chea de escritores e músicos nos stands durante horas atendendo a ese público que leva 54 anos enchendo o evento. E un elemento definitivo: os 65 euros de gasto medio por visitante en libros e discos en euskera. |
NOS_40994 | O portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, rexeita "rebentar" a "unidade popular" pola cuestión do partido instrumental, unha fórmula xurídica que facilitaría que En Marea tiver grupo parlamentar propio no Congreso. | Máis un capítulo arredor do debate creado por Anova no seo de En Marea para converter a coligazón nun partido instrumental. Malia ser esta fórmula xurídica a que posibilitaría que En Marea puidese contar con grupo parlamentar propio, o portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, dixo este sábado que desbota "rebentar" a "unidade popular" polo partido instrumental. "Non me dá a gana", engadiu. Desta maneira, Beiras prioriza a convivencia entre os partidos que forman a coligazón –EU, Podemos e Anova- á constitución dun partido instrumental. O obxectivo desta "unidade popular" pasa por "derrotar o inimigo principal", é dicir, o PP. Pasadas as xerais, volverá a abrirse o debate, asegura O portavoz de Anova salientou que a cuestión do partido instrumental "non está fechada", pois "hai cuestións que non deu tempo a resolver". Así, pasadas as eleccións xerais volverase afondar o debate. Existe ese "compromiso", asegurou. Lembrou que a fórmula do partido instrumental é "unha táctica xurídico-política" que "desaparece após as eleccións". "É unha cuestión de responsabilidade", subliñou. Aliás, Beiras volveu fiar o grupo parlamentar a un cambio político nas Cortes. "Se a esquerda emerxente chega a ser a forza máis votada ou queda de segunda forza e ten un peso que ninguén pode negar, entón a composición da Mesa varía e garantiría que, obtendo as condicións que cumprimos nas anteriores eleccións, non se nos negue grupo parlamentar", explicou. "Anova non lle marca a Podemos nin a EU o que teñen que facer" O portavoz de Anova, que asegurou que o seu partido non lle marcará a Podemos nin a EU o que teñen que facer porque "non somos déspotas", puxo de manifesto que a traxectoria de En Marea "non remata agora" e que seguirán a traballar para se presentar estas forzas políticas xuntas nas eleccións galegas. |
NOS_25484 | A CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, aspira a revalidar a súa posición de "referente". | As eleccións sindicais no ensino público foron convocadas para o 1 de decembro deste ano, a proposta de todos os sindicatos. Segundo informou a CIG-Ensino, a data oficializouse após a primeira reunión das mesas coordinadoras provinciais. Nesta cita renóvase, como catro anos, a totalidade da representación do profesorado galego. Hai dous tipos de mesas nas eleccións: por unha parte as coordinadoras provinciais, unha por cada unidade electoral. Encárganse de coordinar todo o proceso e terán permiso desde o 30 de setembro até o remate do proceso. Por outra, haberá 874 mesas en todo o país —334 na circunscrición da Coruña, 125 en Lugo, 82 en Ourense e 333 en Pontevedra—, unha mesa por cada centro que teña seis ou máis unidades. Os de menos, subscribiranse a unha mesa con criterios de proximidade. As persoas que forman parte das mesas terán permiso retribuído durante toda a xornada de votación e unha redución de cinco horas ao día seguinte da votación. Os censos electorais coñeceranse o 13 de outubro, cando as mesas coordinadoras rematen os seus respectivos traballos de confección das listas de persoas electorais elixíbeis. A partir dese día, deberán estar expostos en todos os centros educativos de dependentes da consellaría. Nun comunicado, CIG-Ensino lembra que actualmente é o maioritario e que conta con máis de 42% da representación sindical —60 dos 142 delegados electos—. Así, aspira a revalidar a posición como "referente" no ensino público e do seu profesorado. |
NOS_47436 | Pablo Iglesias, disposto a renunciar á vicepresidencia para viabilizar un goberno de "coligazón progresista", un "goberno á valenciá", co PSOE. Pedro Sánchez considera que, "con cautelas", estase "máis perto dun goberno do cambio que de repetir eleccións". | A xuntanza de máis de dúas horas entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias finalizou cun acordo para abrir unha mesa de negociación entre PSOE e Podemos con vistas á formación dun goberno "do cambio". "Hai vontade mutua para seguir a dialogar", manifestou Iglesias, o primeiro en comparecer após a reunión. O líder de Podemos manifestou mesmo que estaba disposto a ceder "e non estar no goberno" para que haxa un executivo de progreso. Renunciaría así á vice-presidencia que el propio reivindicou nun posíbel executivo. Unha frase que foi retrucada posteriormente por Sánchez cun "el só se puxo e el só se exclúe". Iglesias tamén manifestou que está disposto a se reunir con Ciudadanos para lles pedir o seu apoio activo ou pasivo a un goberno de progreso. Isto é, que vote a favor ou se absteña. O que non contempla o secretario xeral de Podemos é que estean no goberno. Aposta nun goberno co PSOE sen presenza de Ciudadanos. O problema é que Ciudadanos quer un goberno co PSOE sen a presenza de Podemos. Pablo Iglesias ponse á fronte da comisión negociadora de Podemos, desprazando Iñigo Errejón, que até o de agora asumía ese cometido. Fronte os 131 deputados que suman Podemos e Ciudadanos, Iglesias falou da "vía 161", que serían os deputados que sumarían socialistas, Podemos, as confluencias, IU, Compromís. Sánchez retrucou lembrando que 161 non dá para a maioría absoluta e por iso aposta nun '191', en referencia a Podemos, Cs e PSOE. O referendo, desaparecido O referendo en Catalunya, até non hai tanto presentado como unha liña vermella por Podemos para un goberno co PSOE, xa non está. Transformouse nun convite a PSC e Catalunya si que es Pot a traballar xuntos nunha proposta para o debate. Así, o referendo fica relegado a Catalunya e sen maiores concrecións a respeito dunha alternativa. Pedro Sánchez, na súa quenda de intervención, dixo que "imos a por todas", se ben "con cautelas" e manifestou que "estamos máis perto dun goberno do cambio que de repetir eleccións". Afirmou que a noticia era que "por fin" Podemos "dixo si a negociar" co PSOE, e indicou que hai dous elementos que partillan completamente: que non se debe ir a unha repetición das eleccións e que hai que poñer fin ao goberno de Rajoy. Na súa intervención, Pedro Sánchez falou en todo momento dunha negociación a tres: PSOE, Podemos e Ciudadanos. |
NOS_8001 | O lema de Amazon é "Do A ao Z", letras que une un sorriso no seu logo. Mais detrás desa imaxe amábel, común tamén nas multinacionais tecnolóxicas como Google, agóchanse denuncias de condicións laborais propias do século XIX. O ano 2020 deixoulle un récord de ingresos e o seu beneficio neto aumentou en 84%. | Entre o 18 de marzo e o 31 de decembro, é dicir, desde que se declarou a pandemia da Covid-19 até o final de 2020 a riqueza acumulada polas dez persoas máis adiñeiradas do planeta incrementouse en 540.000 millóns de dólares. Entre estas está o fundador de Amazon, Jeff Bezos, que lideraba esta lista até hai menos dun mes, cando foi superado polo conselleiro delegado da empresa automobilística Tesla, Elon Musk. Un Bezos que dará un paso a un lado o vindeiro verán e pasará a ser presidente executivo (cargo máis simbólico e con menos poder de decisión), segundo informou a compañía estadounidense ao feche do mercado de valores da terza feira. Na súa carta de despedida aos investidores, recollida onte por Forbes, di: "Se o fas ben, poucos anos despois dun invento sorprendente, o novo tórnase normal. A xente bocexa. Ese bocexo é o máis grande cumprido que un inventor pode recibir. Cando miras os nosos resultados financeiros, o que realmente estás a ver son os resultados acumulados do invento no longo prazo". O balance que deixa é abafante. Amazon bateu en 2020 o seu récord de ingresos con 386.000 millóns de dólares en vendas ─38% máis que en 2019─ ademais dun aumento de 106.000 millóns en facturación. Así, o beneficio neto da compañía con sede en Seattle medrou meteoricamente en 84% durante o ano pasado. Sendo unha das primeiras grandes compañías en vender bens por internet, o éxito de Amazon desde que foi fundada en 1994 até hoxe vai máis alá do "invento sorprendente" que menciona Bezos. A eficiencia no proceso de compra e de entrega, o piar principal do seu crecemento, está asentada sobre alicerces escuros. O Instituto Open Markets ─equipo multidisciplinar que traballa por "protexer a liberdade e a democracia das concentracións extremas de poder"─ publicou en setembro un informe documentando o uso que Amazon fai da súa infraestrutura de vixilancia "para controlar e rexistrar o traballo e comportamento dos empregados", rastrexando "de forma invasiva todos os movementos" mesmo cronometrando os segundos usados para facer un paquete. O estudo, que leva por título "Eyes Everywhere" ("Ollos en todas partes"), explica que nos almacéns se instalaron "cámaras de seguridade con intelixencia artificial sofisticada" para controlar que se respecten as medidas de hixiene por mor da pandemia. Porén, tamén controlan que os empregados non superen o tempo de descanso, que non se produzan roubos e que se manteña a intensidade laboral en todo momento. Ademais, os traballadores só poden levar ao posto unha botella de auga e unha bolsa de plástico transparente con diñeiro. Ao final da xornada son rexistrados durante uns 25 minutos do seu tempo libre, segundo as testemuñas recollidas por Open Markets. Morte e lucro As medidas de seguridade laboral a respecto da Covid tardaron, porén, en chegar. O pasado 14 de abril, Business Insider informaba da primeira morte pola enfermidade do novo coronavirus nun almacén en California, despois de na semana previa Amazon despedir tres traballadores por exixiren condicións de traballo seguras. O falecemento producírase xa en marzo, mais os empregados foron informados un mes despois. Naquela altura, só nos EUA, a compañía contratou 100.000 empregados para xestionar o aumento exponencial de compras. E en Europa, mentres que o pequeno comercio se vía na obriga de baixar a persiana polo confinamento, Amazon puido continuar vendendo. O pasado sábado centos de persoas se manifestaron en Francia para protestaren pola construción dun novo almacén en Fournes, que se sumará aos máis de 175 que xa ten no mundo. Sen dúbida o éxito económico desta multinacional, que conta ademais con outros servizos como a plataforma na nube AWS (cuxo director executivo, Andy Jassytal, herdará o posto de Bezos), é froito dos "resultados acumulados no longo prazo" tal e como di o seu fundador. Porque os abusos laborais tamén se acumulan de vello. En maio os seus traballadores en Francia foron á folga, mais a compañía redirixiu os pedidos a través de Italia. Este tipo de movementos levou á constitución da rede Amazon Workers International, que agrupa organizacións de traballadores de Alemaña, Eslovaquia, España, Francia, Italia, Polonia e tamén dos EUA, co fin de defenderen de forma conxunta as súas condicións laborais. E aínda máis atrás no tempo, en 2013, o periodista francés Jean-Baptiste Malet publicaba o libro En Amazonie, infiltré dans le meilleur des mondes ("En Amazon, infiltrado no mellor dos mundos") tras lograr ser contratado nun almacén de Amazon. Fíxoo porque os traballadores teñen prohibido falar cos medios de comunicación, e alí puido constatar como apenas había descansos ou se fomentaba a delación dos empregados "máis lentos". Nunha entrevista en Le Monde, afirmaba que "as condicións laborais son propias do século XIX" e que a compañía "cando se trata de respectar os dereitos sociais, non é unha empresa progresista senón totalmente reaccionaria". O libro de Malet está á venda en Amazon. O multimillonario pon rumbo ao espazo "Como presidente executivo, continuarei a participar en importantes iniciativas de Amazon, mais tamén terei o tempo e a enerxía que necesito para me concentrar en Blue Origin, The Washington Post e as miñas outras paixóns", explica Bezos na carta de despedida. Porque Bezos é máis que Amazon e aí é onde mostra unha outra versión. En 2013 fíxose co prestixioso periódico estadounidense por 250 dólares e logrou ─sen inmiscirse na liña editorial─ situalo de novo nun lugar de referencia. Tamén doou 7,7% do seu patrimonio en 2020 ao fondo Bezos Earth para loitar contra o cambio climático e apoia a través de Day 1 Fund as familias sen fogar. Mais é Blue Origin, empresa de voos espaciais, o seu proxecto máis importante ─máis, chegou a dicir, que o propio Amazon─. O obxectivo é expandir a humanidade alén do noso planeta. Nun acto público en 2017, afirmou: "Temos que ir ao espazo para salvar a Terra". |
NOS_6702 | A comezos deste mes a Fundación Eugenio Granell, en Compostela, tornaba a obra de Philip West ás súas salas. Alí, os cadros do artista e benfeitor do museo conviven coa obra dos composteláns Carlos e Xulio Maside, coas do propio Granell e coas demais pezas da colección permanente de arte surrealista da galería. | O pasado 8 de abril o artista británico Philip West retornaba á sala principal do Museo Granell, no Pazo de Bendaña de Compostela, e que ademais leva o seu nome, coa mostra "Philip West, o amor e a muller". Unha exposición que forma parte do compromiso da Fundación Granell con este artista, benfeitor do museo ao doarlle en 1997 un legado composto por 200 das súas obras, principalmente debuxos, óleos e gravados así como unha importante biblioteca, con máis dun cento de volumes sobre a arte surrealista. Xunto a ela, a mostra permanente "O estudio de Granell", un espazo expositivo que reproduce o lugar de traballo do pintor e que está composta por obxectos e obras de arte que amosan a contorna na que creaba. Lorena Rodríguez, responsábel de Conservación e Restauración da Fundación é quen se encarga da conservación e do mantemento das pezas e adecúa o espazo ás incorporacións que se engaden de modo temporal. "Granell e as súas amizades surrealistas" e "Homenaxe a Amparo. Retratos de compañeiros no exilio e outros" son outras das mostras actuais, no segundo andar do Pazo de Bendaña. A primeira delas, consiste nunha mostra na que se poden contemplar obras de diversos artistas e en distintos países, unha exposición que reflicte a amizade a través de agasallos de obras propias e de extensas correspondencias. A segunda, unha exposición cronolóxica na que Granell se mostra como retratista da súa compañeira, Amparo Segarra. Todas as exposicións poden visitarse en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 20 de terza a sexta feiras, e os sábados unicamente no horario de mañá. Xulio e Carlos Maside A familia Maside, moi vinculada a Eugenio Granell, tamén é protagonista de boa parte das exposicións e dos fondos da Fundación e, así, a persoa visitante pode atopar a obra de Xulio Maside no primeiro andar, ou a do seu tío Carlos, na nova sala do segundo andar. "Carlos Maside (Patrimonio Galego)" é o título desta exposición que recolle o legado deste artista, que foi adquirido polo Consorcio de Compostela e do que o Concello de Santiago e o receptor co compromiso da conservación e da exhibición desta "notábel colección" do vangardista galego que foi un dos artífices da renovación estética no noso país durante o século XX. De Xulio Maside pode visitarse, nas salas 4 e 5 do primeiro andar, a mostra "As parellas", unha selección da obra do pintor que abrangue desde 2014 até 2021. "As parellas" está composta de perto de 70 pezas entre as que destaca a obra de gran formato "Luci e mais eu", creada en 2014, e que segundo contan desde a fundación, "quere ser representativa" do conxunto da mostra "xa que concilia obras anteriores á exposición coas posteriores que parten dela, con distinto formato e entidade". Así, esta exposición do traballo de Xulio Maside está composta por un conxunto de pinturas "emparentadas en ritmo e poesía, erotismo e humor". Unha combinación de acrílicos, colaxes, acuarelas, carbonciños, debuxos a man alzada, que dan conta do mundo de Xulio Maside, "dos sentimentos máis líricos e musicais en tempos de confinamento e pandemia". Visitas guiadas A pandemia da Covid-19 e as posteriores restricións sanitarias dedicadas a evitar os contaxios mudaron tamén o decorrer diario do Museo Granell. Así, as precaucións e as reservas destinadas ás visitas das salas de arte tamén houbo que facer modificacións e adaptacións para a realización das visitas guiadas no modo en que se desenvolvía até o de agora. É o caso das visitas guiadas á Biblioteca da fundación, no terceiro andar do pazo, e mais da súa Área de Conservación e Restauración, onde as persoas interesadas poden ver os almacéns coas obras das diversas coleccións legadas a Compostela por Eugenio Granell e pola súa esposa Amparo Segarra. As visitas deben realizarse, con previa cita para manter as medidas sanitarias vixentes, a segunda e a última quinta feira de cada mes. A fundación tamén continúa coa realización das visistas "Santiago de Compostela a través da mirada de Eugenio Granell", baseada no libro do artista titulado Memorias de Compostela. Un percorrido polas rúas da cidade a través de lugares emblemáticos na mocidade do artista. |
NOS_21894 | Outros países da UE estudan medidas como subir os impostos ás compañías eléctricas, cuxos beneficios, segundo a OCDE, aumentarán en 200.000 millóns de euros. | Os líderes europeos comezan a tomar medidas para paliar a constante suba dos prezos da electricidade, o gas e os carburantes por mor da guerra en Ucraína, unhas tarifas que na Galiza están a alcanzar máximos históricos. Segundo recolle a axencia EFE, o primeiro ministro de Romanía, Nicolae Ciuca, vén de anunciar que o seu Goberno fixará, a partir do vindeiro 1 de abril, un prezo máximo para a luz e o gas, quer para particulares quer para empresas, que se manterá conxelado durante un ano. O prezo da luz estabilízase na contorna dos 250 euros/MWh este 15 de marzo Aliás, o Goberno romanés instará a Unión Europea (UE) a "redirixir todos os fondos de programas europeos destinados á economía romanesa" que non se executasen aínda a "axudar" ás empresas do país. No que atinxe aos combustíbeis, o ministro de Finanzas de Romanía, Adrian Câciu, avanzou en febreiro unha redución "temporal" á metade dos impostos especiais sobre este ben. Outras medidas na UE Outros países como Francia tomaron tamén medidas nesta liña. Así, as e os franceses gozarán dun desconto de 15 céntimos por litro nos carburantes durante catro meses, a partir tamén do 1 de abril, segundo informou o primeiro ministro, Jean Castex. En Portugal aplicarase unha proposta semellante: o desconto no combustíbel será de 0,40 céntimos por litro nun depósito de 50 litros, e o Imposto ao Carbono non medrará, cando menos, até o 30 de xuño de 2022. O prezo da gasolina subiu 40% nun ano Aliás, esta segunda feira o secretario xeral da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), Mathias Cormann, propuxo subir os impostos ás grandes eléctricas, cuxos beneficios, segundo este organismo, poderían aumentar en 200.000 millóns de euros no contexto actual. "Dados os beneficios das empresas enerxéticas, asociados ao forte incremento dos prezos, hai capacidade para aumentar o nivel de impostos que están a pagar as empresas deste sector e redirixir parte dese diñeiro a medidas que compensen o impacto", apuntou Cormann. O prezo da luz aumentou en 1.025% no último ano Esta medida, de feito, xa a aplicaron países da UE como Italia ou Romanía. Cormann reuniuse esta segunda feira co presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, nun encontro no que lle propuxo tamén a idoneidade de adoptar esta medida. |
PRAZA_12081 | Recoñezo que na linguaxe da neofalsificación permanente baixo a que vivimos asoballados preservo aínda un sintagma de simpatía cara a un discurso imaxinario que me gustaría escoitar ou ler a xeito de gargallada liberadora. Se as Giocondas "francesas" e españolas empregaron o sorriso como mecanismo de defensa que non levarán facendo dende hai séculos as Mona Lisas galegas de a pé dende un anonimato por veces negacionista? | Alfa Non descubriremos o Mediterráneo en pleno Atlántico se dicimos que vivimos arrodeados de sorrisos do máis diverso signo. Sorrisos cínicos e forzados, sorrisos triunfalistas no baleiro implacábel das maiorías totalitarias, sorrisos máis subversivos propulsados por unha amargura neorrealista. Recoñezo que na linguaxe da neofalsificación permanente baixo a que vivimos asoballados preservo aínda un sintagma de simpatía cara un discurso imaxinario que me gustaría escoitar ou ler a xeito de gargallada liberadora. Se as Giocondas "francesas" e españolas empregaron o sorriso como mecanismo de defensa que non levarán facendo dende hai séculos as Mona Lisas galegas de a pé dende un anonimato por veces negacionista? Así que cando ese desvío interno abrolla solermiño miro de ceibalo e recrearme nel por ver se se trata dun sorriso rebulideiro ao estilo do profeta Daniel ou é máis ben un sorriso de resiliencia nunha liña Lois Pereiro. Ao cabo só creo estar aplicando unha das máximas de cabeceira de Christine Lagarde no xa famoso Never imitate the boys! Estou convencida de que será un sorriso descrido e non outro o que nunha situación de absurdo neoliberalista coma o que padecemos proxecte o seu espectro sobre algún líder económico, alguén que nos anuncie a arribada dun verdadeiro novo cónclave para o discurso común en pleno país das mil peaxes, AKA país dos mil ríos na era A.NC. (Antes da Neonada Capitalista). Reaparecerá entón o sorriso metamorfoseado de San Steve Jobs esbozando o mantra Think Different tentando reconducir ás amigas Merkel e Lagarde polo bo camiño, lembrándolles en baixiño algo así como: "nenas, cando os mercados eran aínda mercados de peixe e non un niño de preas especulativas, nin patelas nin bolsos de marca se pousaban no chan porque era sinal de conivencia co desbaldimento da mercancía". A miña lideresa - ben torto ten que andar todo para que nun momento de velocidade retrógrada as mulleres sexamos maioría no parlamento galego – anunciará como voceira comarcal do FMI en provincias a nova taxa a aplicar a quen ouse escindir o U, belas enrugas e Miami Vice á marxe, do PG. Pero seguro que as medidas de choque serán aprobadas en tempo de vacacións, durante o entrañábel natalicio ou durante o período estival e escribiranse nesa letra pequena que non adoitamos ler nas ocasións contractuais: todo un catálogo de situacións nas que se cobrarán xuros a quen pretenda modificar o imaxinario colectivo descargando palabras de orixe grega dun modo gratuíto, dun xeito pirata. Imaxinan como se modificaría o discurso diario dos grandes persoeiros da escena teatral mundial? Por fin a repetición incesante da palabra crise traería réditos; soaría o bling bling cando lles dese por levarnos ao clímax dunha nova traxedia, dunha catástrofe bursátil ou cando os enfeitizados polo conto de fadas do self-made man corresen a facer unha rinoplastia Inditex. Que mellor recurso para facer pagar os pratos rotos a todo Cristo, dende un monxe até un bispo, dende camaleóns financeiros a oncólogos tecnócratas que pórmos en valor as palabras de orixe grega en beneficio da verdadeira política democrática? Por fin unha boa nova para nos acordar desta catalepsia, un faro terapéutico sintomático da recuperación, toda unha catarse dende Fisterra até Maratón pasando polos casinos de Mónaco e arredores. Eureka!!! Compañeiros, compañeiras; camaradas: porque se cadra os tempos son chegados cousas cousiñas veremos antes de dicir "Troikados e afundidos". Omega |
NOS_38023 | O mundo galego da aeronáutica recupera unha das súas probas máis tradicionais: a Volta Galaico-Portuguesa. O Real Aeroclub de Lugo volve organizala xunto co seu Criterium entre o 22 e o 24 de xullo no aeródromo de Rozas (Castro de Rei). Alén da competición deportiva, o evento facilitará o acceso do público a varias actividades aéreas. | O deporte aéreo galego vivirá a súa gran festa anual os vindeiros 22, 23 e 24 de xullo no aeródromo de Rozas (Castro de Rei). O Real Aeroclub de Lugo organizará nesas datas, recuperando a normalidade que non tivo os dous anos anteriores pola pandemia, a Volta Aérea Galaico-Portuguesa e o Criterium Aeronáutico da Galiza, un evento que conta con quince anos de historia. A aeronáutica engala na Galiza O responsábel da organización, membro do Aeroclub e piloto, Fran Abelleira, recoñece que este tipo de eventos "son moi complicados de restituír despois dun paro como o que tivemos" mais confía en que o público "responda como noutras edicións". A proba deportiva alcanza este ano a súa edición número 37, e será, como outros anos, un tradicional rallye aéreo onde as e os pilotos que queiran participar poderán medir as súas habilidades aos mandos das súas aeronaves. A tradicional Volta Galaico-Portuguesa "Comezou como unha reunión de amizade entre practicantes da Galiza e Portugal, por iso o seu nome de Volta Galaico-Portuguesa, e co tempo pasou a ser unha proba deportiva", explica a Nós Diario Abelleira. O seu funcionamento é moi semellante ao doutras competicións que se realizan no Estado español e desenvolverase na modalidade coñecida como Air Navigation Race (ANR). Tirapuxa entre compañías aeronáuticas por mor de Rosalía "É un rallye aéreo mais non é de velocidade, como acontece nos de coches, consiste en seguir un rutómetro que se lle entrega a cada participante e que hai que seguir sen sistemas modernos e a unha determinada velocidade", sinala o tamén piloto de aviación lucense. O seguimento é visual para facilitar ir mudando de rumbo e poder pasar por unhas zonas de control, denominadas portas, nun momento determinado da competición. "Ao remate, no lugar en que sinalan para aterrar, fan algunhas probas de aterraxe de precisión polo que ao final, esta competición combina navegación e tomas de precisión", conclúe. A proba galega está incluída no calendario deportivo de 2022 da Comisión Técnica Nacional de Voo con Motor (Ctnvcm), aprobada no seu momento pola Real Federación Aeronáutica Española, unha característica que, desde a organización, cren que facilitou a chegada desde o inicio de tripulacións e aeronaves de toda a península ibérica. Promocionar a aeronáutica galega O carácter divulgativo aeronáutico nace coa organización do Criterium Aeronáutico da Galiza fai quince anos. Este evento consolidouse como un dos encontros aéreos máis importantes no panorama estatal, permitindo ao público iniciarse no mundo aeronáutico a través da participación nas distintas actividades ou visitando as múltiples exposicións. En edicións anteriores pasaron polo aeródromo de Rozas máis de 150 aeronaves nunha soa fin de semana, tanto de afeccionadas e afeccionados como da volta ao Estado español de ultralixeiros, o Campionato Galaico-Duriense ou o Campionato de España de voo con motor. Unha das actividades con máis acollida é o salto en paracaídas, "unhas 100 persoas cada fin de semana", apunta Abelleira. Trátase dun salto en tándem, cunha caída libre a máis de 200 km/h desde unha altura de algo máis de 3.000 metros, para logo abrir o paracaídas, controlado en todo momento por unha ou un piloto profesional con experiencia. Diego Fernández: "As persoas que gustan da competición no parapente sempre son minoritarias" Outra das actividades é o voo nun avión acrobático. Poderá vivir unha experiencia única a bordo dun IAC-52 da Patrulla Acrobática Jacob 52, única de carácter civil existente no Estado español. Por último haberá, para o público menos atrevido, voos de introdución e varias exposicións sobre avións non tripulados, aeronaves históricas e equipos das empresas do polo tecnolóxico e industrial de Rozas (Castro de Rei).. Alén diso, o público que asista terá a súa disposición un simulador de voo profesional, varias mostras de aeromodelismo e poderá asistir á presentación de varios proxectos aeronáuticos do ciclo de Aeromecánica do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) das Mercedes, entre os cales destaca a construción dunha aeronave 100% eléctrica. |
NOS_19932 | Completo menú para bulir esta finde, cun cefalópodo como protagonista, a xiba, terá os seus días de gloria en Sada. | De sexta feira a domingo Sada. Festa da Xiba. Festa na honra deste cefalópodo na que participan moitos dos locais hostaleiros da vila, con concurso de tapas incluído. Sexta feira Fene. Museo do Humor. 20 horas. Os da Ría. Oferécennos o espectáculo Íntimos, dentro do programa Cultura no Camiño. A Coruña. Teatro Rosalía. 20.30 horas. Nova Galega de Danza. Porán en cena o seu novo espectáculo, Son, composto por dez coreografías que se van entrelazando entre si. Sábado Pontevedra. Sala Karma. 22 horas. Caxade. O grupo xira polo país para apresentar o seu último traballo, "E isto é o amor". Lugo. Clavicémbalo. 23 horas. Arrythmia, que xoga na casa, apresenta novo disco e faino precedidos por uns teloneiros de luxo, o grupo de pop humorístico Poetarras. Até o domingo Vigo. Festival Primavera. Quinta edición dun festival que proxectará 55 curtas e 22 longametraxes de Galiza e Portugal. |
NOS_45989 | O BNG apresentou esta cuarta feira a súa emenda á totalidade ás contas da Xunta. Xúlgaas "continuistas" cos recortes e denuncia que a única partida "expansionista" é a da débeda pública. | Noa Presas compareceu esta cuarta feira en comparecencia de imprensa para apresentar a emenda á totalidade do BNG ás contas galegas para 2017. "Os orzamentos enviados pola Xunta non servirán para reactivar a economía nin para garantir políticas sociais indispensábeis na loita contra a desigualdade e a favor da cohesión", dixo a parlamentar nacionalista. O BNG estima que os orzamentos consolidan "os recortes en servizos públicos e sociais". Presas cifrou en 10 mil millóns de euros o valor do que leva retallado Feijóo desde que alcanzou o poder político na Galiza, en 2009. Catro son os eixos que sustentan a alternativa orzamental do BNG ás contas da Xunta: a priorización do gasto social, a blindaxe dos servizos públicos visando o progresivo resgate das privatizacións, a aposta nun modelo produtivo baseado no I+D+I e o combate enérxico contra a violencia de xénero. Neste último epígrafe o BNG apresenta unha alternativa concreta aos números da Xunta: propón que a partida orzada polo Goberno galego contra a violencia machista pase dos 5 millóns de euros, unha cantidade que xulga moi insuficiente para desenvolver a lei galega, aos 95. Isto é, o BNG propón que a Xunta destine 90 millóns de euros máis, por volta do 1 por cento das contas galegas. "Pensamos que é un problema de máxima urxencia e para iso hai que ter recursos e revisar todo o que, é obvio, non está funcionando nesta loita", dixo Presas. 12 millóns para a Renda de Garantía Social En materia de política social, a proposta alternativa do BNG ás contas da Xunta pasa por habilitar unha partida de 12 millóns de euros encamiñada a financiar unha renda de garantía social, ben como outro fondo de por volta de 4 que se dirixa a atender os casos de exclusións social máis prementes. Blindaxe de servizos sociais e reversión de privatizacións Neste capítulo o BNG propón destinar 115 millóns de euros para recuperar a xestión pública do Hospital de VIgo e outros centros, 105 millóns para atacar o problema das listas de espera, 54 para contratar máis persoal sanitario e outros 60 para financiar un plan de mellora da atención primaria. Canto ao ensino, as emendas nacionalistas serían para abrir partidas para contratación de profesoras e profesores (22 millóns), bolsas universitarias (14) e accións que visen o impulso a cultura galega (22). Sectores produtivos Para pór o país a producir, o BNG propón destinar 55 millóns de euros a un Plano de Industrialización, 30 para financiar actividades pesqueiras e 40 para o o medio rural. E como se financia todo isto? Os recursos terían de saír, explicou Presas, da aplicación dunha "política fiscal máis progresiva". En concreto, de gravar os "grandes patrimonios" e da creación dun imposto ás grandes superficies comerciais. Todo iso resultaría en ingresos adicionais para as arcas galegas na contorna dos 130 millóns de euros. Aliás, o goberno galego debería suprimir o "gasto superfluo ou prescindíbel, como o gasto corrente, de gabinete, o exceso de publicidade e a externalización de servizos". |
NOS_27474 | Mañá medra en 12,74% até alcanzar os 227 euros/MWh. | O prezo medio da electricidade no mercado continúa á alza este luns cunha subida do 12,74% con respecto a este domingo, situándose en 227 euros por megawatt hora ( MWh). En concreto, o 'pool' rexistrará esta segunda feira un prezo medio de 227,00 euros/ MWh, uns 26 euros máis que os 201,34 euros/ MWh deste domingo, segundo datos definitivos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). Por tramos horarios, o prezo máximo da luz para este 24 de xaneiro darase entre as 19.00 horas e as 20.00 horas, con 297,33 euros/ MWh, mentres que o mínimo, de 177,46 euros/ MWh, rexistrarase entre as 03.00 horas e as 04.00 horas. Con respecto a hai un ano, o prezo do 'pool' para este luns será 690,11% máis caro que o que se rexistrou o 24 de xaneiro de 2021, de tan só 28,73 euros/ MWh. Os prezos do 'pool' repercuten directamente na tarifa regulada -o denominado PVPC-, á que están acollidos case 11 millóns de consumidores no país, e serven de referencia para os outros 17 millóns que teñen contratado a súa subministración no mercado libre. O encarecemento nos últimos meses no mercado eléctrico explícase, principalmente, polos altos prezos do gas nos mercados e dos dereitos de emisión de dióxido de carbono (CO2), en máximos históricos neste ano. 2021, o ano máis caro A luz fechou 2021 como o ano máis caro da serie histórica, cun prezo medio de 111,93 euros/ MWh debido á espiral alcista rexistrada no 'pool' no segundo semestre. O mes de decembro rexistrou un prezo medio mensual no mercado eléctrico de 239,1 euros, o mensual máis alto da historia tras superar en máis de 39 euros os 200 euros/ MWh do pasado outubro. O Goberno ampliou até o 30 de abril a rebaixa dos impostos incluídos na factura da luz que pagan todos os consumidores co fin de paliar o efecto negativo que a subida do prezo da electricidade está a causar nos cidadáns. En concreto, prorrogáronse até o 30 de abril as rebaixas de 21% ao 10% do IVE e do imposto especial eléctrico do 5,11% ao 0,5%, mínimo legal. Con todo, a suspensión do imposto de xeración ao 7% que pagan as empresas só manterase, por agoré, ata o 31 de marzo. Evolución do prezo da luz en 2020 e 2021 A Flourish chart |
NOS_1980 | O líder revolucionario non participaba nuns comicios desde 2006. | Fidel Castro Ruz exerceu o seu dereito a voto nas eleccións á Asemblea Nacional Popular desenvolvidas este domingo en Cuba. Os comicios renovarán @s 612 deputad@s do Parlamento e @s máis de 1.200 delegad@s das Asembleas provinciais. Na súa chegada ao colexio electoral nº1 do distrito da Revolución, na capital cubana, Castro permaneceu durante máis dunha hora conversando con xornalistas sobre diversos temas de actualidade entre os que subliñou "o perigo da guerra" perante os acontecementos decorridos na Siria e os recentes ataques levados a cabo por Israel. As eleccións na illa --que se desenvolven cada cinco anos, (dous e medio no caso das municipais)-- contaron cunha participación masiva. O presidente parlamentar, Ricardo Alarcón --que non foi presentado candidato, polo que non poderá ser re-eleito presidente da Cámara-- asegurou que os comicios son unha "oportunidade para reafirmar e exercer a soberanía nacional" ao se tratar dun sistema electoral propio, as máis das veces cuestionado desde occidente. Neste senso, o analista político, Iroel Sánchez afirmou en declaracións ao portal de información dixital RT que o réxime electoral cubano "é moito máis democrático" que o "dalgúns países europeos". Así Sánchez preguntouse "que pasaría se en EUA ou Europa fosen os veciños en troca dos partidos" os que fosen eleitos polos seus barrios "sen que mediara ningún diñeiro, ningunha maquinaria política". |
Subsets and Splits
No community queries yet
The top public SQL queries from the community will appear here once available.