ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
PRAZA_16641
Nas vindeiras eleccións municipais toda unha lexión de Conselleiros/as van ser os candidatos/as dos Populares en moitas das nosas cidades. Iso non ven máis que a ser un moderna dopaxe, legal, máis non ético. Porque os Conselleiros xestionan o de todos e teñen acceso a mecanismos que o resto de candidatos non van a ter.
É un feito que a sociedade castiga a dopaxe entre os deportistas e que condena no fondo esta práctica enganosa e tramposa, aínda que non como se merece. Pero non deixa de resultar paradóxico que os que máis pagan esa práctica non son os galardoados con trampa, non son os Froome, Contador, Ben Johnson... son aqueles deportistas que quedaron á porta da clasificación ou mesmo os que quedan cuartos, quintos ... O momento de gloria, a foto, a emoción dos estadios cheos e das entregas de trofeos son disfrutados polos tramposos. De pouco ou nada serve a reparación posterior, nalgún caso só supón ter unha medalla ou trofeo pero en moitos o dano é irreparable, aqueles que quedaron fora da clasificación dun mundial por décimas nunca serán restituídos, é imposible. E o traballo de anos de esforzo e tirado pola borda Iso pasa dalgún xeito na política, o PP co seu financiamento irregular, esta claro que xogaba dopado, tivo maior e mellor acceso ós mecanismos políticos de chegar á xente. Que pasa con aqueles partidos que fan unha campaña digna co pouco que teñen? pois que non poden competir con unha dopaxe tan forte. Postas en escena, materiais, espazos publicitarios ... todo moito máis doado, pero non deixa de ser unha trampa. Por desgraza son moitas as estrelas do deporte ás que se lle demostrou a dopaxe, máis o final o seu nome segue no olimpo dos campións, non é xusto. En Galicia estase a xogar unha nova sorte de dopaxe política, legal, pero para min aínda moito menos ético. O seu Doutor-administrador é o mesmo Feijoo. Explícome, é de sobra coñecido pola opinión pública e así o manifestan no PP que nas vindeiras eleccións municipais toda unha lexión de Conselleiros/as van ser os candidatos/as dos Populares en moitas das nosas cidades, e que van chegar a aquela cita nas súas carteiras de xestión dixo Feijoo, de xestión pública claro. Iso non ven máis que a ser un moderna dopaxe, legal, máis non ético. Porque os Conselleiros xestionan o de todos e teñen acceso a mecanismos que o resto de candidatos non van a ter. Xogan dopados eticamente, como o permite o campión Feijoo? pois porque é un tramposo na miña opinión. Non fagamos coma o COI que sancionou daquela maneira a Rusia, sancionemos o abuso que supón esta práctica do PP, que non ten complexos. Castiguemos a dopaxe e fomentemos a igualdade de condicións a xustiza do traballo. O día das eleccións todos os votos valen o mesmo. Publicidade <a data-cke-saved-href='http://taboleiro.praza.gal/delivery/ck.php?n=ace9876f&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE' href='http://taboleiro.praza.gal/delivery/ck.php?n=ace9876f&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE' target='_blank'><img data-cke-saved-src='http://taboleiro.praza.gal/delivery/avw.php?zoneid=391&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&n=ace9876f' src='http://taboleiro.praza.gal/delivery/avw.php?zoneid=391&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&n=ace9876f' border='0' alt='' /></a>
NOS_53822
A Sociedade Galega do Medio Ambiente, Sogama, defínese como unha empresa publica autonómica adscrita a Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. En realidade é unha empresa mixta onde a participación da Xunta é do 51% e o restante 49% pertence a Naturgy, até hai poucos días coñecida como Gas Natural Fenosa Renovables.
Segundo información publica de Sogama, o modelo fundaméntase no principio das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) que se complementa coa incineración para producir electricidade. O proxecto tivo dende o principio un grande interese da empresa eléctrica Fenosa, xa que ía producir electricidade a partir da preparación e incineración do lixo. Na actualidade Sogama presume da súa produción eléctrica que supera o medio millón de Mwh/ano en tres plantas, unha planta termoeléctrica de 50 MW, unha planta de coxeración de 22MW e unha planta de Biogás. O Complexo estaba até agora dimensionado para tratar 500-550.000 toneladas/ano pero a el chegan 900.000 toneladas (por tren só a metade e no 2016 era o 25%), polo que a diferenza terían que destinalo a un vertedoiro de 47 hectáreas de superficie: O Deposito Temporal de Areosa. Para solucionar a capacidade teñen obras para ampliar o Complexo ate un millón de toneladas, para o que a Xunta vai inverter 29 millóns de euros. Os datos de xestión de residuos urbanos do ano 2017 aportados pola empresa indican que reciclou 99.206 toneladas de lixo, mandou a vertedoiro 252.355 toneladas e incinerou para producir electricidade 550.278 toneladas, é dicir que de 901.839 toneladas que chegan a Cerceda tan só reciclan o 11%, mentres que mandan a vertedoiro controlado o 28% do total, e queiman ou incineran o 61% dos residuos sólidos urbanos. Quedan claras as prioridades e os intereses da planta, mentres no Estado se recicla e composta o 30% do lixo, na Galiza en Sogama o 11%, mentres no Estado se incinera o 13% do lixo aquí aínda considerando a recollida selectiva estamos por riba do 50% e en Sogama en particular no 61%. Neste Complexo incinérase a quinta parte (20,6%) de todos os residuos sólidos urbans que se incineran no Estado. De 901.839 toneladas que chegan a Cerceda tan só reciclan o 11%, mentres que mandan a vertedoiro controlado o 28% do total, e queiman ou incineran o 61% Con relación á media de reciclaxe e compostaxe da Comunidade Europea tamén estamos moi afastados, mentres en Europa é do 47% aquí en Sogama é do 11% e anos atrás aínda foi moito menos. Pretender cumprir os obxectivos do 50% de reciclado que obriga a UE para o 2020 (Directiva 2008/98/CE) parece tarefa imposible. Comparación do tratamento do lixo, Europa, Estado, Galiza. Europa 28 Estado español Galiza, en Sogama Proporción de reciclaxe e compostaxe 47% 30% 11% Vertedoiro 25% 57% 28% Incineración 28% 13% 61% A contaminación do Complexo Medioambiental de Cerceda: Pero moitos cidadáns pregúntanse: Contamina unha empresa creada para evitar a contaminación do lixo? De onde procede a contaminación que xera? Como unha empresa que recibiu decenas de millóns de Fondos de Cohesión Europeos pode despois de 20 anos reciclar tan pouco e seguir contaminando? Só a incineradora —Planta Termoeléctrica do Complexo— emite: óxidos de nitróxeno, partículas, monóxido e dióxido de carbono, dióxido de xofre, clorhídrico, fluorhídrico, dioxinas e furanos, compostos orgánicos volátiles, cadmio, mercurio, níquel, zinc, chumbo... No Rexistro de Emisións Contaminantes do Estado, PRTR e para o ano 2016 figuran as emisións da incineración dos residuos domésticos ou municipais: Emisións á atmosfera: Óxido de nitróxeno 372 toneladas Óxido nitroso 14,7 toneladas Mercurio 11,8 toneladas Níquel 51,3 toneladas Ademais de dióxido de carbono que non cuantifica o PRTR posiblemente por non chegar as emisións ao limiar de declaración que é de 100.000 toneladas /ano e o mesmo sucede para o chumbo que ten un limiar de 200 kg/ano e para outros contaminantes. Emisións á auga: Arsénico 10 quilogramos Fenois 72 quilogramos Non cuantifica mercurio, cadmio... A estas emisións da incineración temos que engadirlle as correspondentes ao vertedoiro de lixo coñecido como Deposito Temporal de Areosa. No Rexistro PRTR, ano 2016, último publicado, figuran 9.850 toneladas de metano, gas de efecto invernadoiro e un dos responsábeis do cambio climático. As emisións do ano 2016 son tres veces superiores as correspondentes ao ano 2007. A incineración non só emite sustancias prexudiciais para a saúde (produtos canceríxenos, danos para as vías respiratorias e pulmóns, compostos implicados en problemas cárdio-respiratorios, ictus, diabetes...); ademais, ten baixa eficiencia enerxética, altos custos, destrución de sustancias aproveitábeis, impacto nos ecosistemas e no clima e, o que é mais importante, vólvese un obstáculo ao reciclado. Na Unión Europea chegaron á conclusión de que unha taxa alta de incineración pode dar lugar a menores niveis de prevención, reutilización e reciclado, polo que intentan modificar o erro cometido até agora e, ademais de frear as subvencións, propoñen na actualidade un modelo máis sostible coñecido como economía circular con obxectivo de reutilización e reciclado de residuos domésticos e políticas de residuos cero. Propoñen reutilizar/reciclar para o ano 2025 un mínimo do 55% do lixo e para o 2035 reducir o 10% dos residuos sólidos urbans, seguramente estas propostas necesitan e mesmo obrigarán a reformar ou reformular Sogama de novo, polo que non valerá unha ampliación que está en marcha onde a incineración é o obxectivo e volve quedar por diante e maioritaria con diferenza respecto da reciclaxe. Unha taxa alta de incineración pode dar lugar a menores niveis de prevención, reutilización e reciclado A responsabilidade da Xunta é grande, se queren achegarse aos obxectivos da Unión Europea a incineración non ten sentido e moito menos se queren deixar de emitir contaminantes tóxicos e perigosos. Pouco exemplo dá a empresa pública sobre o tema da contaminación, non é de estrañar despois o pouco interese que mostra a empresa privada por diminuír as emisións. Teñen un exemplo onde mirar e copiar. Ramón Varela Díaz é catedrático de Bioloxía e Xeoloxía e foi presidente de Adega.
NOS_48960
Miguel R. Penas é o novo presidente da AGAL depois de sair a candidatura encabeçada por el referendada por quase a totalidade dos votos emitidos na assembleia que decorreu o sábado 13 em Compostela.
Sucede Miguel R. Penas a Valentim Fagim, que tomaba parte da candidatura e que passou a ocupar o cargo de Vice-Presidente. Manuel López será o secretário, a Tesouraria recaiu en Ângelo Loureiro. Noemi Pinheira, Manuel César Vila, Gerardo Uz, Eduardo Maragoto, Jurjo Martins e Xemma Fernández completam o novo Conselho da AGAL.. A linha de continuidade coa gestom de Fagim fica à vista na própria vontade expressa de seguir na linha do "trabalho realizado na última etapa para afortalar o discurso da oportunidade: a oportunidade do galego para a Galiza, com todas as portas que se abrem para a cidadania galega polo simples facto de nascerem neste país e terem esta língua, e a oportunidade da Lusofonia para a nossa língua" "Estamos convictos de ser umha estratégia graças à qual ganhamos todas e todos. O seu destino final tem que ser alcançar a centralidade social. Para todo isto é preciso construir pontes que podam ser transitadas" argumentam para explicarem o lugar central da promoçom e divulgaçom "da estratégia luso-brasileira para o galego e para a cultura". Anunciam também que se criará a área de audiovisual, a sumar às inauguradas nos últimos tempos de Cursos e Ateliês, além das já tradicionais de Administrativo-económica, informática, editorial, revista Agália e Comunicaçom. Nas redes sociais, o novo presidente destacou que "desde já será também umha responsabilidade e um orgulho representar umha associaçom que quer continuar a construir futuro para a nossa língua e bem-estar para a nossa sociedade".
PRAZA_9750
Gerardo Criado (PP), senador dende outubro de 2016, finaliza mandato con tres actividades parlamentarias no seu cómputo: a toma de posesión, o rexistro dunha iniciativa e a defensa desta en pleno. O senador galego con máis actividade foi o socialista Ángel Mato
Na lexislatura estatal de 2011 a 2015 un senador galego destacou pola súa escasa actividade. Era Armando Castosa, tamén alcalde de Cospeito polo PP, quen rematar aquel período lexislativo con apenas 11 actividades parlamentarias, unha delas a súa propia toma de posesión. Na lexislatura iniciada en xuño de 2016, que vén de rematar, outro senador do PP por Lugo bateu aquel récord de Castosa. Trátase de Gerardo Criado, ex-alcalde de Vilalba, que nestes dous anos e medio rexistrou unicamente unha iniciativa parlamentaria na Cámara Alta.Gerardo Criado (PP), senador dende outubro de 2016, finaliza mandato con tres actividades parlamentarias no seu cómputo: a toma de posesión, o rexistro dunha iniciativa e a defensa desta en plenoCriado, que recunca na candidatura do PP ao Senado como suplente -xa o fora en 2016, cando se incorporou en outubro dese ano para substituír á tamén edil vilalbesa Sandra Vázquez, que se presentou ás eleccións galegas-, remata así a lexislatura como o senador galego menos activo con só 3 actividades parlamentarias, unha delas tomar posesión. As outras dúas son o rexistro dunha pregunta sobre o Consello Xacobeo en febreiro de 2018 e a súa defensa en pleno nese mesmo mes, toda vez que o Senado rexistra como actividades diferentes o rexistro dunha iniciativa e a intervención -neste caso, nun pleno- para defendela.Sempre segundo as bases de datos do Senado, Criado sitúase no extremo oposto ao senador con maior volume de iniciativas e intervencións parlamentarias, o socialista Ángel Mato. O tamén aspirante do PSdeG á alcaldía ferrolá chegou ás 690, a maioría preguntas escritas ao Goberno.Tras Mato, cun número moi semellante de actividades parlamentarias, o segundo senador galego máis activo foi o tamén representante do PSdeG Ricardo Varela, membro da Cámara Alta por Lugo. Tamén se achegou ás 600 actividades Luis García Mañá, senador socialista por Ourense. Tras el situouse Modesto Pose (PSdeG), senador por designación do Parlamento de Galicia dende xullo de 2017, con 512 iniciativas e intervencións, e a continuación atópase Vanessa Angustia, a única senadora de En Marea, con 348.Aínda que é habitual que os senadores do partido que sustenta o Goberno presenten un número escaso de iniciativas, máis aínda se contan na Cámara cunha ampla maioría absoluta, como lle sucede ao PP no Senado, no caso da representación galega no Grupo Popular as cifras son dispares. Así, as 176 actividades parlamentarias rexistradas polo vigués Miguel Fidalgo ou as 94 do lalinense José Crespo -que formulou diversas preguntas sobre vías férreas en Catalunya- contrastan coas 3 de Gerardo Criado.Os dous senadores do PP por designación do Parlamento de Galicia realizaron 39 actividades parlamentarias entre os dous durante toda a lexislaturaO lucense José Manuel Barreiro, que foi voceiro do PP no Senado ata que Mariano Rajoy perdeu o Goberno, finalizou a lexislatura con 66 actividades parlamentarias. Son máis que as que rexistraron outros membros do PP nesta Cámara como Marta Lucio (45), María Aparicio (44) ou José Luis Torres Colomer (28). No que atinxe aos dous senadores do PP por designación do Parlamento galego, Fernando Carlos Rodríguez finaliza a lexislatura estatal con 28 iniciativas e intervencións e Juan Jiménez Morán con apenas 11.No que atinxe ás outras tres representantes do PP que abandonaron o Senado pouco despois do inicio da lexislatura estatal, a súa presenza foi anecdótica. Paula Prado, que deixou a Cámara Alta en outubro de 2016 para ser deputada do Parlamento galego, apenas presentara unha iniciativa alén de tomar posesión. A devandita Sandra Vázquez unicamente tomara posesión e Edelmira Barreira, que abandonou o escano por Ourense en xaneiro de 2017 para ser asesora de Soraya Sáenz de Santamaría, realizara unicamente sete actividades parlamentarias.
NOS_46967
A asociación ecoloxista Petón do Lobo critica que o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño (PP), encargara dous informes técnicos "con cartos de todas as veciñas e veciños" para apoiar un proxecto eólico de Fenosa Wind na serra do Gontón.
A pesar dos reparos iniciais dos distintos departamentos da Xunta de Galiza, o proxecto eólico Mouriños, impulsado por Fenosa Wind (agora Naturgy), finalmente salvou os obstáculos de afección ao patrimonio cultural, arqueolóxico e paisaxístico e prosperará no alto da Fernandiña, informa a asociación ecoloxista Petón do Lobo. Farao con só tres eólicos, dos catro inicialmente previstos, co cal, Cabana de Bergantiños non percibirá diñeiro ningún en concepto de canon eólico. Ao longo da tramitación administrativa que descrebe a Declaración de Impacto Ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e publicada a pasada terza feira no DOG, o concello de Cabana de Bergantiños, a instancias do Goberno local, encargou dous informes a unha empresa "talvez temeroso de que o proxecto de Fenosa non prosperase". No primeiro dos informes municipais conclúese que o estudo ambiental redactado pola empresa promotora "… ofrece a información suficiente (inventario ambiental, identificación e valoración de impactos, estudo de ruídos, sinerxías, de avifauna e quirópteros, de elementos arqueolóxicos, etcétera) para garantir que as obras analizadas non supoñan un impacto ambiental inaceptable". No outro informe, encargado posteriormente, volve apuntarse que hai "… información suficiente para garantir que as obras non supoñan un impacto ambiental inaceptábel". Petón do Lobo ve "falta de obxectividade" nos informes que achega o Concello, "xa que a empresa redactora ten intereses na xestión da auga municipal e outros contratos dos que resultou beneficiaria" e di que a súa intervención "foi decisiva para a aprobación do documento ambiental". A asociación ecoloxista advirte de que o proxecto de Fenosa "vai supoñer unha grave desfeita do patrimonio cultural e arqueolóxico, e unha catástrofe sen precedentes na historia da comarca de Bergantiños polo seu impacto significativo sobre a paisaxe e o declive do turismo, se temos en conta a relevancia paisaxística, arqueolóxica e ambiental da zona afectada".
NOS_32132
Doce manifestacions percorrerán as rúas da Galiza na folga xeral. Os sindicatos fan un chamamento á cidadanía a secundar a xornada de folga e a tomaren parte das mobilizacións na defensa dos seus dereitos.
Após o éxito da xornada de paro durante a noite e as primeiras horas da mañá, as centrais sindicais lembran as mobilizacións convocadas a partir das 11.30h nas sete principais vilas e cidades galegas, e chaman a toda a cidadanía a participar pois aseguran "non hai colectivo profesional ou social que se libre dos efectos prexudiciais das políticas neoliberais que está a aplicar o Goberno central, actuacións entre as que cómpre sinalar a reforma laboral, o repagamento farmacéutico, os recortes nas pensións e prestacións sociais, a deterioración e privatización dos servizos públicos, a suba do IVE, a amnistía fiscal a quen defrauda ou o desmantelamento dos nosos sectores produtivos básicos. En definitiva, un «saqueo do pobo» que obriga que a resposta sexa de toda a sociedade, polo que piden que, ademais de secundar a folga, a cidadanía non consuma e que participe nas manifestacións convocadas para hoxe". A manifestación que adquirirá carácter nacional e que contará coa presenza dos secretarios xerais de CIG, CCOO e UGT será a de Vigo. Neste senso, os sindicatos decidiron finalmente mudar o percorrido a respecto das anteriores convocatorias perante as elevadas previsións de participación. Horarios e lugares de saída e remate das manifestacións: Vigo: ás 11:30 horas, desde a Praza de España, até a Praza de América. Pontevedra: ás 12:30 h, desde a Praza da Ferrería, até a Subdelegación do Goberno. Vilagarcía: ás 12:00 horas, desde a Casa do Mar até a Praza Ravella Ourense: ás 12:00 horas, desde o Pavillón dos Remedios até a Subdelegación do Goberno. Compostela: ás 12:00 h, desde a Praza Roxa. Lugo: ás 12:00 horas, desde a Casa Sindical, na Ronda da Muralla, até a Praza de Santa María. A Coruña: ás 12:00 horas, desde a Praza da Palloza até a Praza de María Pita. Ferrol: ás 12:00 horas, desde a Praza do Inferniño até a Praza de Armas. Burela: ás 12:00 horas, desde a Estación de Servizo Vista Alegre, até a Praza do Concello Riberia: ás 12:00 horas, desde a Estación de Autobuses até a Praza do Concello. Monforte: ás 19:30 horas, desde a Praza de España até a Praza da Estación. O Barco de Valdeorras: ás 12:00 horas concentración na Praza do Concello.
PRAZA_5663
O xefe territorial de Educación, ex deputado do PP, advirte a traballadora de que pode ser apercibida por non participar nun festival ao que xa avisara que non iría. A docente denuncia a "intromisión do ideario católico na vida escolar".
A protagonista desta historia, de iniciais K.M., exerce como mestra de Educación Infantil no Centro Rural Agrupado da Picaraña, en Ponteareas. O 20 de decembro de 2013 acudiu como cada día ao seu posto de traballo aínda que esa non era unha xornada ordinaria no centro. Ese era o día fixado para celebrar na Casa da Cultura de Portela un festival co gallo do Nadal. A mestra xa anunciara que non tiña intención de participar nese evento xa que, detalla o Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades (Esculca), "consideraba a actividade contraria ao principio de aconfesionalidade". Agora esa negativa pódelle custar unha sanción da Xunta. Aínda que "comunicara previamente que non asistiría ao acto por razóns de conciencia" e malia que "permaneceu no lugar de traballo durante todo o horario lectivo", a mestra recibiu a finais de marzo unha carta asinada polo xefe territorial de Educación, o ex deputado do PP César Pérez Ares. Nesa misiva o cargo da Xunta apóiase na Lei Orgánica de Educación de 2006 para sinalar que entre as funcións do profesorado está "a promoción, organización e participación nas actividades complementarias, dentro ou fóra do recinto educativo". Deste xeito, di Esculca, fai "caso omiso das alegacións da ensinante referidas á obvia vulneración do principio de aconfesionalidade". "Situacións parecidas a esta teñen lugar noutros centros, o que supón unha intromisión do ideario católico na vida escolar". "A obrigatoriedade de cumprimento deste deber", indica Pérez Ares, "foille advertida polo director do centro educativo o 17 de decembro, segundo consta acreditado no expediente". Neste escenario, o xefe territorial advirte á mestra de que, "de probarse tales cargos, podería vostede incorrer en responsabilidade disciplinaria pola comisión dunha falta tipificada como leve". "Segundo a normativa vixente -especifica- a sanción que poderá impoñerse pola comisión de faltas leves é o apercibimento". Alén de que o alcance da sanción non sexa especialmente relevante, a mestra afectada xa presentou alegacións nas que, informa Esculca, "argumenta que considera estas actividades lesivas" para "o dereito á liberdade de conciencia, como "confirma a sentenza 5/1981 do Tribunal Constitucional". A traballadora salienta ademais que "situacións parecidas a esta teñen lugar noutros centros da comarca, o que supón unha intromisión, de baixa intensidade mais continua, do ideario católico na vida escolar".
NOS_7556
O Sermos Galiza número 182 -a segunda entrega do semanario co novo deseño de Pepe Barro- chega esta quinta feira 11 de febreiro carregado de novas seccións, entre elas unha columna do analista político Antón Losada sob o título xenérico de Arrenégote Demo.
Sermos Galiza continúa co proceso de mellora dos contidos do semanario e esta quinta feira, na súa entrega número 182, abre novas seccións con vista a debruzarse sobre novas perspectivas da vida política, social, económica, cultural, da Galiza. Destarte, neste número vaise incorporar á sección de Opinión con carácter periódico o analista político Antón Losada. Colaborador, entre outros meios, de Cuatro, a SER e El Periódico de Catalunya, o tamén profesor da USC escreberá unha columna mensal baixo o título xenérico de Arrenégote Demo. A súa primeira entrega abordará o asunto de como van preparando, ou non preparando, as distintas forzas políticas a súa candidatura para as eleccións galegas. A actualidade do cinema do país -que se está a filmar, que proxectos hai á vista- tamén terá o seu espazo no Sermos, coa asinatura de Olaia Ledo. E, canda o cinema, o teatro subirá aínda ao palco no semanario, da man dun dos críticos máis prestixiosos do país, Manuel Xestoso. A cultura é unha aposta vocacional do Sermos desde o comezo da andaina deste proxecto de comunicación e iso terá o seu reflexo neste número 182, coas primeiras entregas de senllas seccións sobre literatura infantil e xuvenil -baixo a denominación xenérica de Letras Miúdas- e de Patrimonio Cultural Galego -sob o título de Eira das Mouras. Estarán a cargo de Mónica Pazos e Felipe Senén, respectivamente. As novidades complétanse cunha sección quincenal sobre membros destacados das Irmandades da Fala, neste 2016 en que se fai o centenario do xurdimento da primeira organización nacionalista no país. Inaugurámola cun perfil de Ramón Vilar Ponte da autoría de Pilar García Negro.
PRAZA_14400
A partir das sete da tarde está convocada unha nova concentración nos arredores do Congreso, anticipo dunha manifestación que terá lugar o sábado. Este mércores tamén se celebrarán actos de apoio na principais cidades galegas. Crecen as denuncias pola violencia policial e pola presenza documentada de infiltrados da policía co obxectivo de xustificar as cargas.
Díxose que o 25S era só o comezo. Que nas semanas seguintes a presión nas rúas debía manterse e crecer para forzar o Goberno a dar un xiro nas súas politicas. E despois do 25 vén o 26. Este mércores están convocadas concentracións en todo o Estado co mesmo obxectivo que as de onte e cun motivo engadido: a denuncia da violencia policial que este martes asolou Madrid e cuxas imaxes deron a volta ao mundo. Ao final foron 35 os detidos e 64 os feridos, 20 dos cales aínda seguían hospitalizados esta mañá. Este mércores tamén hai actos de apoio en Santiago (Praza de Galicia), Vigo (Farola de Principe), A Coruña (Obelisco), Pontevedra (subdelegación do Goberno) e Ourense (subdelegación) Á convocaria de hoxe, que dende as sete da tarde, ocupará de novo a Praza de Neptuno, próxima ao Congreso, seguirá unha manifestación este sábado 28. Este mércores tamén se celebrarán actos de apoio na principais cidades galegas: en Santiago (Praza de Galicia), Vigo (Farola de Principe), A Coruña (Obelisco), Pontevedra (subdelegación do Goberno) e Ourense (subdelegación). Nas protestas de onte en Madrid un dos detidos foi o galego Miguel Quinteiro Nas protestas de onte en Madrid un dos detidos foi o galego Miguel Quinteiro, activista de Coop57 (entidade da que é socio promotor), Attac, ou a Plataforma polo aforro público, entre outros grupos. Quinteiro foi detido cando se atopaba con outras persoas realizando unha sentada. Durante toda está mañá estivo a declarar perante o xuíz, e se está a espera da resolución do mesmo sobre a súa situación. Está "tranquilo" pero "cabreado por non permitirlle a polícia acceder ás súas pertenzas". O Ministerio do Interior pretende acusar os detido de delitos contra altos órganos da nación, co que suporia o seu xulgamento a través da Audiencia Nacional. En xuño entrevistámolo para Praza a respecto das accións que a Plataforma polo aforro público estaba levando a cabo para esixir unha investigación a fondo sobre a xestión das caixas de aforros. "Non coñezo outra forma de cargar" Mentres, crecen as denuncias pola violencia policial e pola presenza documentada de infiltrados da policia co obxectivo de xustificar as cargas. As crítícas chegan dende os partídos de esquerda, síndícatos, xornalístas e dende a coordinadora 25S, que este mércores pola mañá volveu sufrir a presión policial no medio da rolda de prensa que estaban ofrecendo nas proximidades do Congreso. Pola súa banda, o ministro do Interior felicitou as forzas de seguridade pola súa actuación durante o 25S. Jorge Fernández dixo que a policía actuou "extraordinariamente ben" e que grazas a eles evitouse que un grupo de persoas "coaccionara" os deputados. Tamén o secretario xeral do Sindicato Unificado de Policía (SUP), José Manuel Sánchez Fornet, defende que a violencia dos axentes no 25-S "exerceuse ben". "Non coñezo outra forma de cargar", dixo. E recoñeceu que a policia tenia infiltrados entre os manifestantes aínda que negou que provocasen a violencia como denuncian moitas voces, como o propio deputado Alberto Garzón: "Non son os policías os que lanzan os paus. O deputado Garzón mente e ademais el sábeo". O mesmo declarou oficialmente a Xefatura Superior da Policía Nacional, que admitiu que na manifestación participaron axentes infiltrados e cubertos con capuchas pero negou que lanzaran obxectos: "Nós non imos con pedras a apalear os nosos propios compañeiros. En que cabeza cabe?". O Goberno eludiu responder sobre a cuestión na sesión de control do Parlamento Mentres, o Goberno eludiu responder sobre a cuestión na sesión de control do Parlamento. Esquerda Unida realizara unha pregunta directa ao executivo cuxa redacción intencionadamente xenérica cuestionaba sobre a opinión do executivo a preto das protestas sociais. O grupo de Cayo Lara era consciente que a pregunta, tramitada hai días, coincidiría co día despois da protesta ante o Congreso. Con todo o PP, ao atoparse Rajoy fóra de España, decidiu que fose o ministro Montoro o encargado de dar resposta á cuestión. Como Montoro hoxe tampouco se atopaba na cámara a pregunta decaeu sen máis. Esquerda Unida pedirá a comparecencia do ministro de Interior para que justifique a actuación policial que o resto de grupos considera "desmesurada" de modo unánime. Si houbo reunión da Comisión de Interior do Congreso, na que o director xeral da Policía, Ignacio Cosidó, defendeu a actuación policial ante as preguntas de varios deputados e denunciou que os manifestantes "actuaron de forma organizada e estruturada, todos eles armados con escudos, paus, pedras, botes e obxectos contundentes que lle lanzaron á Policía".
NOS_53064
A Federación Rural Galega demanda á Consellaría do Medio Rural a celebración da reunión xa prometida no pasado mes de marzo tralos prexuízos causados polas sarabia.
Dende FRUGA denuncian a incapacidade de Medio Rural ou falta de vontade para reunirse e dialogar co sector e cos seus representantes salientando que nin tras as xeadas de abril nin os incendios do verán tivo lugar este encontro. A pasada fin de semana, o pedrazo atinxiu distintas zonas do Ribeiro. Isto provocará que este ano practicamente non se poda vendimar. Xurxo Álvarez, viticultor afectado tanto polas xeadas do mes de abril como pola sarabia, lamenta o "ensimesmamento e autismo" da consellaría. Nalgúns casos a perda pode ser total, chagando a non poderse vendimar nin un só acio. Após estes acontecementos, a Federación solicita de novo que se realice esta reunión.
NOS_15235
O proxecto de Sermos Galiza S.A. resultou un dos vinte seleccionados pola área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do concurso sobre o Reino da Galiza, ao que concorreron 127 iniciativas. "Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu" é o título da ampla proposta multidisciplinar presentada.
A través de catro amplas liñas de acción desenvolverá Sermos Galiza S.A. o proxecto "Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu", un dos 20 seleccionados pola área de Cultura da Deputación da Coruña, dirixida polo deputado Xurxo Couto, no concurso que ten como obxectivo a difusión e valorización dun período histórico aínda non o suficientemente coñecido para a meirande parte das galegas e galegas. Precisamente, a área de Cultura do ente provincial, no marco do Certame "Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2021-22", busca contribuír a "combater a desmemoria e o esquecemento sobre o pasado medieval da Galiza", entendendo que a sociedade actual "precisa coñecer o seu pasado para comprenderse mellor" e para "poder pensarse con máis capacidade cara ao futuro". Así, a iniciativa que levará a cabo Sermos Galiza S.A. nos próximos meses, da man dos investigadores Alexandre P. Vigo, Héitor Picallo e Xosé Ramón Ermida Meilán, permitirá afondar nas vidas e na actividade de máis de 40 monarcas galegos. Coleccionábel Unha das vías de traballo en preparación consiste nun coleccionábel de 34 fascículos centrados na difusión dos reis e raíñas do Reino de Galiza, que se publicará entre setembro e outubro canda o exemplar do xornal Nós Diario. Botan a andar os 20 proxectos que forman parte do Fondo Reino da Galiza da Deputación da Coruña Afondarase nas figuras de Hermerico, Requila, Requiario, Frantán, Remismundo, Carriarico, Ariamiro, Teodomiro, Miro, Eborico, Andeca... até chegar a Afonso V e Xoana de Trastámara, nun interesante percorrido a través de mil anos. Trinta e catro podcast Ademais, emitiranse 34 podcast en relación aos contidos do coleccionábel, co fin de divulgalos a través da rede. Unha acción enfocada especialmente á mocidade, ante a falta de información sobre o Reino da Galiza no currículo educativo actual. Un Banco de Datos cun foro O Banco de Datos sobre o Reino da Galiza en nosdiario.gal é outra das actuacións recollidas no proxecto. Trátase de ofrecer información complementaria das raíñas e reis, así como un foro de debate aberto onde as autoras e autores de cada unha das entregas da publicación coleccionábel poderán responder as dúbidas das persoas lectoras. Entre os recursos que se poderán atopar destacan imaxes dos reis e raíñas, material cartográfico, escudos das dinastías reais e documentos históricos. Sermos Galiza S.A. pretende manter todo este banco de datos de maneira permanente na edición dixital de Nós Diario para contribuír á difusión do Reino da Galiza. Oito roteiros culturaisA iniciativa impulsada por Sermos Galiza S.A. comprende tamén oito roteiros culturais, vinculados aos monarcas. Unha maneira lúdica de achegarse ao Reino da Galiza mediante o patrimonio histórico. Compostela, O Burgo (Culleredo), A Coruña, Betanzos-Pontedeume, Foz-Alfoz-Mondoñedo, Soutomaior-Mondariz-Tui, Monforte-Palas e Celanova-Ourense-Esgos farán parte da proposta que parte dun enfoque interxeracional.
NOS_14915
Mariña Patrimonio, Pensamento e Semeteira, e Adega lamentan que a ausencia de protección para un lugar arqueolóxico tan importante "é un reclamo" para os ladróns do patrimonio.
As entidades Adega, Mariña Patrimonio e Pensamento e Sementeira presentaron perant o Servizo de protección da natureza da Garda Civil unha denuncia por un "posíbel espolio" no xacemento arqueolóxico de Estabañón, situado na praia de Area, no Concello de Viveiro. Os colectivos lamentan que, "máis unha vez", este emprazamento no que se atopa unha vila-factoría tardorromana e, sobre esta, unha vila medieval foi albo da acción dos "caza-tesouros". Desta volta, explican, centraron as súas actuacións na área na que o Servizo de Costas do Ministerio de Medio Ambiente realizara unha cata arqueolóxica hai 8 anos. "Sen dúbida, un xacemento importante coma este, sen ningún tipo de protección, con catas abertas e con material arqueolóxico á vista, constitúe un reclamo para os furtivos do Patrimonio". Descuberto a comezos da década dos 50 En 1951, tras un forte temporal, sae á luz o xacemento de Estabañón na praia viveirense de Area. Este xacemento estivo a piques de ser destruído en 1996 por Costas coas obras do paseo marítimo; porén, a actuación de Patrimonio, paralizando as mesmas, evitou a súa destrución. En 2007 Costas realiza catas e confirma a gran importancia deste sitio arqueolóxico, no que se atopa unha vila-factoría tardorromana e, sobre esta, unha vila medieval.
NOS_9308
Sermos Galiza naceu na rede o 26 de abril de 2012. Este domingo cumprimos, por tanto, tres anos, ao servizo da información alternativa, galega e en galego.
O terceiro aniversario de Sermos Galiza como proxecto comunicativo ten dúas datas riscadas en vermello no calendario. A primeira é este domingo 26 de abril, o día en que o web SermosGaliza.gal cumprirá tres anos. A segunda é a segunda feira 8 de xuño, día en que se comemorará o terceiro cumpreanos do semanario Sermos Galiza, o único en galego nos quiosques do país. Desde o seu nacimento, este proxecto comunicativo tivo a vocación de contribuír para o alargamento do espazo de comunicación galego e en galego, coa pretensión de dar voz a todos aqueles sectores sociais da nosa nación que tan frecuentemente son silenciados, vetados ou censurados nos meios de comunicación sistémicos. Sermos Galiza publicará neste dixital unha sección conmemorativa -3 anos de Sermos Galiza- que dará acubillo a algúns dos textos máis significativos e lidos durante estes tres anos Co motivo deste terceiro aniversario, Sermos Galiza publicará neste dixital unha sección conmemorativa -3 anos de Sermos Galiza- que dará acubillo a algúns dos textos máis significativos e lidos durante estes tres anos, quer no papel quer no dixital. Peticións, demandas, suxestións Estamos, por suposto, abertos ás vosas peticións e demandas, pois vós, as leitoras e os leitores de Sermos, a Comunidade Sermos, sodes a razón de existir deste meio. Calquera crítica -positiva ou negativa- do que levamos feitos e calquera suxestión que teñades para mellorar o noso traballo en dirixírnolas através do noso correo electrónico, [email protected]
PRAZA_14780
Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz adiantan que a actividade da súa formación nos vindeiros meses se apoiará nas organizacións sociais "que coñecen mellor que ninguén os seus ámbitos e formulan alternativas ao existentes" e chaman os cidadáns a "tomar as rúas para tomar o poder".
"Debemos fortalecer esa alianza política que constituímos as catro formacións que conformamos AGE. E despois debemos sumar moitas máis voces a esta Alternativa Galega porque imos necesitar todos os espazos políticos e sociais posibles. Porque os vindeiros meses van ser claves: estamos ás portas dun novo rescate, co que iso supón. Falar do rescate é falar de máis desemprego, de máis recortes e de máis pobreza". Yolanda Díaz sitúa as dúas claves da Alternativa Galega de Esquerda para os vindeiros meses: a solidificación do acordo partidario que tan bos resultados obtivo nas eleccións do domingo e o fortalecemento do tecido social. "Temos que coñecernos. Temos que vencer os prexuízos entre uns e outros", engade. Yolanda Díaz sitúa as dúas claves da AGE para os vindeiros meses: a solidificación do acordo partidario que tan bos resultados obtivo nas eleccións do domingo e o fortalecemento do tecido social Xosé Manuel Beiras incide nesta idea: "AGE ten que ser unha ponte entre esa cidadanía activa e a cámara de representantes, entre todo ese tecido asociativo que non se limita a dicir non ao existente, senón que formula alternativas ao existente. Iso debe nutrir a nosa acción no Parlamento". E engade: "Debemos restablecer a posición sobranceira que nun estado democrático lle corresponde á cámara de representantes". Así mesmo anuncia que a acción parlamentaria de AGE vai ser "activa" e non vai xogar á defensiva: "Nós non debemos xogar á contra, simplemente dicíndolle que non á maioría parlamentaria do PP, senón que nós debemos tomar a iniciativa e poñer o goberno á contra. A iniciativa non debe ser do goberno, senón da cidadanía". "Nós non debemos xogar á contra, simplemente dicíndolle que non á maioría parlamentaria do PP, senón que nós debemos tomar a iniciativa e poñer o goberno á contra" Beiras afirma que a entrada de Alternativa no Parlamento "debe ser o comezo dunha nova etapa" pois até agora "a cidadanía estaba a organizarse e mobilizarse pero carecía dunha ponte para trasladar iso á cámara de representantes". E pide "que nos utilicen. Depende de nós de que sexamos receptivos ao que esa base quere comunicar e quere facer". O número un de AGE cre que o descenso de PSdeG e BNG se debeu a que a súa acción política durante o primeiro goberno de Feijoo se centrou en facer "simplemente esgrima parlamentaria". "Que nos utilicen. Depende de nós de que sexamos receptivos ao que esa base quere comunicar e quere facer" Yolanda Díaz salienta que "debemos organizar a rebelión cívica, temos que loitar polo poder pero dende a rúa. Todos os procesos de cambio na historia naceron así". E engade que "temos que acertar na organización e na xenerosidade, temos que continuar con esta ilusión que fomos quen de xerar". Yolanda Díaz conclúe que "a batalla está fóra do Parlamento e hai que organizala. Temos que tomar as rúas para tomar o poder porque estamos vivindo un proceso revolucionario e é posible mudar o sistema". E é que AGE quere basear a súa acción parlamentaria e política na actividade e vitalidade dos movementos sociais e plataformas cidadás: "cómpre darlle máis pulo e máis dimensión aos procesos de autoorganización dos movementos sociais e cívicos", di Beiras. "Hai que continuar elaborando alternativas políticas para as problemáticas sobre as que se montan as plataformas cidadás, que son as que mellor coñecen a situación dos seus respectivos ámbitos e polo tanto son as que mellor poden formular estas alternativas", conclúe. A folga xeral do 14N "Os sindicatos acertan na perspectiva de traballar nunha folga cidadá que paralice todos os ámbitos da sociedade" Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz salientan a importancia da folga xeral de novembro: "Temos que implicarnos na folga. Hai que gañar a folga e gañar o dia seguinte da folga", di a coordinadora nacional de Esquerda Unida, que salienta que "os sindicatos acertan na perspectiva de traballar nunha folga cidadá que paralice todos os ámbitos da sociedade". De igual xeito, Beiras afirma que "a folga debe ser un instrumento de todas as clases traballadoras -asalariadas ou non- e tamén dos autónomos, comerciantes e pequenos empresarios", e que "o movemento obreiro ten que pensar en alianzas de clase. Porque se non, cae naquilo que se chamou a doutrina dos dous mundos de Lasalle, que dicía que só a clase obreira podía ser revolucionaria. Iso levou a botar nos brazos da dereita as chamadas clases subalternas ou ao campesiñado". A crise do PSOE "O PSOE ten que escoller de que lado está, ten que decidir se volve ás súas orixes socialdemócratas ou continúa polo camiño actual. E por ese lado o seu devalo vai ser maior" "O PSOE é un partido do réxime. E este réxime está caduco e todas as súas institucións: dende a igrexa á monarquía están en proceso de demolición", afirma Yolanda Díaz. "Estamos nun proceso constituínte, porque por un lado o proceso da Transición e da desmemoria está completamente roto e finiquitado, e á vez por arriba PP e PSOE estannos metendo noutro modelo, como fixeron coa reforma da Constitución ou co Pacto de Estabilidade Europeo", engade para concluír que "ten que escoller de que lado está, ten que decidir se volve ás súas orixes socialdemócratas ou continúa polo camiño actual. E por ese lado o seu devalo vai ser maior". Beiras concorda en que "o PSOE abandonou as súas bases socialdemócratas e de representación da esquerda social moderada" e di que "despois do desastre de novembro podería pensarse que ía haber cambios pero non foi así. Está totalmente secuestrado polas forzas do sistema ultraliberal". E aínda que recoñece que "na primeira lexislatura de Zapatero os socialistas tiveron outro discurso" e que "Caamaño ten unha visión republicana e máis reformista" engade que "o PSOE funciona como un dos dous peares deste sistema. Mentres non cambien iso calquera mudanza é imposible". De igual xeito Yolanda Díaz afirma que "vexo criticas internas no PSOE pero non vexo reflexións profundas sobre o que está acontecendo. Se ten claro que non quere seguir sostendo este réxime ten que rachar co Pacto de Estabilidade". E pregúntase: "Onde está a alternativa no PSdeG? Eu non a vexo".
PRAZA_19087
En Marea publica a composición e documentos políticos das tres candidaturas que optan ás súas eleccións internas. As votacións celebraranse entre os días 21 e 23 de xaneiro.
Portavocías "colexiadas, paritarias e rotatorias", sen implicar un cargo de "dirección" e incompatibles coa función de voceiro no Parlamento ou no Congreso. É a proposta que lanza a candidatura 'Máis alá', a lista que concorre ás eleccións internas de En Marea encabezada por Luís Villares e que, en verbas de quen fora candidato do partido instrumental á Presidencia da Xunta, aspira a ser o proxecto que aglutine o "consenso" para conformar a primeira dirección ordinaria da formación, o Consello das Mareas. Unha vez rematado o prazo de reclamacións e correccións En Marea ratificou este luns que son tres as candidaturas que concorren ao proceso: a que lidera Villares, a que ten no seu primeiro posto ao deputado David Rodríguez, 'Somos quen', e unha terceira, 'Queremos participar', que ten á fronte á ex-deputada Consuelo Martínez (Cerna). Ademais da relación de nomes para conformar o órgano directivo da formación cada unha das opcións formula tamén, na liña do fixado no regulamento da elección, as liñas básicas do seu proxecto político e organizativo. No caso de 'Máis Alá' a proposta é unha "organización líquida e non xerarquizada" cun "tipo de relación transversal" na que "todas as persoas da Coordinadora e do Consello" estean "integradas en dúas grandes áreas": Acción Extratéxica, que aglutinaría as funcións de "comunicación, relato, formación e relacións políticas" e Coordinación e Extensión, que se ocuparía de "administración e finanzas, coordinación interna e extensión territorial, ferramentas e metodoloxías e coidados". "Transversais ás dúas áreas", engade a proposta, figurarán as de "feminización, municipalismo e relacións cos movementos sociais". 'Máis alá' propón unha portavocía de dúas mulleres e un home que non exerzan esa función no Parlamento nin no Congreso Xunto á proposta de estrutura organizativa esta candidatura detalla o precepto que, segundo fontes próximas ao proceso, suscitou un debate máis tenso. Segundo a redacción proposta "os portavoces de En Marea no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados formarán parte, con voz e sen voto, do Consello das Mareas e da Coordinadora", e "non ostentarán ningunha das tres portavocías" que esta lista propón, "que serán ocupadas por dúas mulleres e un home", quen terán ademais outras funcións no organigrama do partido instrumental. A lista 'Máis Alá' inclúe tamén unha proposta de once nomes para a Coordinadora, na que figura Xosé Manuel Beiras, Victoria Esteban, Gladys Afonso, Iago Martínez, Noemi Ramos, Javier de Toledo, Sara Torreiro, Pedro Rivera, Ana Seijas, Rafael Dopico e Borja San Ramón. 'Somos quen' e 'Queremos participar' apostan por que a Villares sexa voceiro tamén no partido Fronte a esta estrutura de portavocías tanto a candidatura 'Somos quen' como 'Queremos participar' apostan por que sexa Luís Villares quen exerza a portavocía de En Marea tanto no Paralmetno como no partido. A candidatura que lidera David Rodríguez formula unha proposta de organización que presenta como "primeira e máis urxente tarefa" a "comarcalización" da estrutura da formación. "Sen estruturas de base, En Marea dificilmente pode superar a dinámica actual, que sobrerrepresenta os grupos territorialmente implantados mentres ignora a base militante", sinala. En cada comarca, indica, unha persoa sería elixida como portavoz, exercendo ademais de "enlace coa Coordinadora e cos grupos parlamentarios estatal e galego". No horizonte, a xuízo de Somos Quen, debera estar unha "estratexia" para "concorrer co nome de En Marea" ás municipais de 2019. O Consello das Mareas formarase en función do apoio que reciba cada lista mediante un sistema proporcional puro A candidatura 'Queremos participar', pola súa banda, explicita no seu documento o "apoio a Luís Villares como portavoz unipersoal da Coordinadora de En Marea" e propón unha estrutura do órgano de dirección "colexiada", pero con responsabilidades "persoais" divididas en áreas: "portavoz, Programa, Acción Social, Acción Feminista, Acción e Participación Democrática Cidadá, Relacións Sociais, Relacións Institucionais, Acción Cultural, Organización, Finanzas e mais Comunicación e Redes. "En Marea debe ser un espazo de participación cidadá" composto por "nacionalistas e non nacionalistas a prol da radicalidade democrática". Nesta lista, politicamente ligada a Cerna, figuran nos primeiros postos xunto a Consuelo Martínez nomes como o de Mario Lóprez Rico, a deputada Paula Vázquez Verao, Carlos Méixome ou Francisca Rodríguez. Segundo as normas que rexen este proceso o Consello das Mareas que xurda das votacións dos días 21, 22 e 23 estará formado por representantes das listas en función dos votos que recibisen mediante un sistema "proporcional puro" con "corrección de xénero", de xeito que a composición garanta a presenza de 18 mulleres e 17 homes. Ademais, segundo estas normas, a presenza de persoas con cargos institucionais non pode superar o 20% do total do organismo, que á súa vez elixirá os once membros da Coordinadora. Candidaturas ao Consello das Mareas Documento político de 'Máis alá' Documento político de 'Somos quen' Documento político de 'Queremos participar'
NOS_44358
A trioloxía de E.L James combina amor e sexo nunha produción marcada pola violencia machista que non se arreda do ideal das clásicas comedias románticas.
A historia entre Anastasia Steele e Christian Grey foi comercializada co impulso dunha forte campaña de márketing. Após vendérense millóns de exemplares da trioloxía e de acudiren millóns de persoas ás salas de cinema as críticas céntranse na historia narrada. Cales son os principais elementos da trama? Que trazos caracterizan as dúas personaxes protagonistas? Onde radica o seu éxito? Que mensaxes difunde? Que diferencia '50 sombras de Grey' das clásicas comedias románticas? Pervive na industria cultural o mito do amor romántico? Que consecuencias sociais ten? Respondemos a estas e outras preguntas da man da investigadora da Universidade de Deusto Estíbaliz Linares autora do estudo '50 sombras dunha muller habitada' e de Coral Herrera, escritora feminista e autora do blogue Haikika na procura dunha análise en profundidade sobre os dous elementos centrais da trioloxía asinada por E. L. James: a violencia e o ideal do amor romántico. Mais, que hai do sexo? A historia de Anastasia Steele e Christian Grey foi comercializada baixo a etiquetaxe de 'porno para mamás'. Que representación da sexualidade traslada ao público? A directora de cinema erótico Erika Lust danos algunhas chaves. Podes ler a reportaxe completa no número 135 do semanario en papel. Xa á venda na nosa loxa e nos quiosques do país.
PRAZA_14473
As probas de galego nas oposicións, os libros de texto de balde, o Noitebús ou o decreto eólico pasaron á historia co retorno dos populares á Xunta
En 2009 Alberto Núñez Feijóo aspiraba por primeira vez á Presidencia da Xunta e tentou manter un particular equilibrio ao longo da campaña electoral. Malia ao seu pasado como máximo dirixente de Correos e do Insalud nos gobernos de José María Aznar e, sobre todo, como vicepresidente e conselleiro de Manuel Fraga, o PP esforzábase en amosar o seu candidato como o rostro da renovación, fronte ao "pasado" que, proclamaban, representaban PSdeG e BNG. Ao mesmo tempo, os conservadores debían estimular os celeiros de votos de Fraga e, para iso, cumpría recoñecer o seu legado político na Xunta. Unha vez pasada a campaña e coa maioría absoluta no peto Feijóo prometeu realizar un equilibrio adicional, neste caso a respecto do Goberno bipartito. No seu discurso de investidura proclamou dende o atril do Parlamento que a súa Presidencia non sería unha mera reedición da de Fraga: "nós non vimos restaurar ningún pasado nin derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores", aseguraba. O que viña era "Galicia nova que, sen rancores nin dogmas", que "se sente peregrina polos camiños da historia". Tres anos e medio despois é Feijóo o que recunca como candidato e, polo tanto, a quen lle toca amosar xestión fronte ás alternativas do resto de formacións políticas. Neste contexto cabe analizar o cumprimento da devandita promesa de non "derrubar" o feito pola coalición de socialistas e nacionalistas. Unha ollada á xestión do gabinete do PP permite concluír que boa parte do mudado polo bipartito ou, cando menos, o que PSdeG e BNG tentaron converter en emblemas da súa xestión, foi reformado, reducido ou, na maior parte dos casos, eliminado. Velaquí algunhas mostras.
PRAZA_9376
A marcha do domingo 3 de marzo partirá ás 12 horas da Porta Falsa. O Concello de Lugo anuncia o seu apoio á folga e á manifestación e organiza unha programación que acompañará ás mobilizacións feministas
A manifestación nacional unitaria do feminismo galego, que anticipa a folga e as marchas do propio 8 de marzo, celebrarase este ano en Lugo o domingo 3 marzo. O pasado ano a participación masiva na marcha que tivo lugar en Vigo o 4 de marzo anticipou e impulsou o éxito das mobilizacións do 8M. A marcha partirá ás 12 horas da Porta Falsa, percorrendo as rúas de Lugo ata a Praza Horta do Seminario, onde se lerá un manifestoA Plataforma Galegas 8M leva tempo preparando a marcha lucense, que partirá ás 12 horas da Porta Falsa, percorrendo as rúas de Lugo ata a Praza Horta do Seminario, onde se lerá un manifesto.O Concello de Lugo anunciou o seu apoio á manifestación e á propia folga, que secundarán, renunciando así ao seu soldo. Ademais, Lugo acompañará a mobilización convocada ese día (que xa emprega a etiqueta #3MVouALugo) cunha serie de actividades agrupadas no lema Mulleres con Forza. O propio 8 de marzo está convocado un acto institucional: a entrega de premios Entre Mulleres. E o 10 de marzo celebrarase a Andaina pola Igualdade pola Muralla.A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e inclusión, Ana Abelleira, convidou a cidadanía a sumarse aos actos, "que buscan rexeitar a desigualdade coa que nos tentan rodear as políticas contrarias aos dereitos que as mulleres fomos acadando ao longo do tempo". "Temos que ser fortes para acabar co patriarcado e co machismo e non dar un paso atrás en materia de igualdade", engadiu.
NOS_28574
O Coruxo deu a cara ante o Málaga, pero caeu eliminado da Copa do Rei no Vao logo de perder 0-4 cos andaluces. Mañá é a quenda do resto de equipos galegos, comezando polo Dépor-El Ejido (ás 17 horas) e seguindo polo Ibiza-Compos e o Ribadumia-Cádiz (ambos ás 19 horas); o Pontevedra-Cartagena (ás 20) e o Llanera-Celta (ás 21 horas).
Despois da vitoria na primeira rolda da Copa do Rei do Lugo ante o Pulpileño (1-2) e da derrota do Ourense Clube de Fútbol por só 0-1 co poderoso Leganés na pasada terza feira, hoxe foi a quenda do Coruxo, que caeu no Vao co Málaga nun partido no que os galegos fixeron un mellor encontro do que denota o resultado final de 0-4. En medio dun campo cheo de lama, que retrotraía a outras épocas máis puras do fútbol, o internacional portugués Orlando Sá subía o 0-1 ao marcador xa no minuto 17, logo dunha indecisión do gardameta galego, mais os de Vigo apertaron os puños e a piques estiveron de empatar o choque. Por desgraza, cando mellor estaba o Coruxo chegou o 0-2 dos andaluces (minuto 66), que rachou definitivamente o partido. Non tardaría nin dez minutos en chegar, da man de Rahmani, o 0-3 , transformando o cuarto e definitivo tanto a prol do Málaga Caye Quintana xa no 92. O Dépor abre a xornada copeira de hoxe Ás 17 horas de mañá o Deportivo abre a xornada copeira para os equipos galegos que restan por competir nun choque ante El Ejido. O que en principio non debería pasar dun encontro de mínima transcendencia ante un rival menor conta agora co morbo engadido creado a raíz da derrota dos branquiazuis co filial do Celta a pasada fin de semana. Se nun primeiro momento Fernando Vázquez sinalou que a Copa do Rei non era para el máis que un "paripé" no que os seus xogadores non debían de malgastar forzas, a convulsión creada a raíz do tropezo co Celta B levouno a reconsiderar a súa postura, e agora ve a Copa como "unha oportunidade de mellorar a situación anímica, para reanimar non só o equipo, senón tamén a afección". Un triunfo coruñés tamén sería un fermoso modo de homenaxear Jorge García Santos 'Parrocho', gardameta herculino durante 14 anos nas décadas dos 70 e nos 80 que disputou 323 encontros coa camisola branquiazul, incluídos 33 na anterior etapa do clube na Segunda División B, na tempada 1980/81. Nada máis rematar o Dépor-El Ejido está previsto que comecen tanto o Ibiza-Compostela como o Ribadumia-Cádiz. Os da capital enfróntanse a un conxunto que domina con puño de ferro o subgrupo B do grupo 3 da segunda división, sumando seis vitorias e dous empates nos oito primeiros partidos de liga. Pola súa banda, o Ribadumia de Terceira División recibe no campo da Senra a un Cádiz que está considerado como a gran revelación da máxima categoría, a pesar de que vén de caer por goleada ante o Celta en Balaídos. Unha hora máis tarde de que comezen estes dous encontros, ás 20 horas, o Pontevedra recibe en Pasarón o Cartagena. Os murcianos ocupan a décimo sexta posición na táboa e son favoritos sobre o papel, mais os granates contan con dous importantes puntos ao seu favor: as 500 afeccionadas que animarán desde as bancadas e a presenza sobre o céspede do astro brasileiro Charles Días. Finalmente, o Celta fecha a xornada copeira galega ás 21 horas no Pepe Quimarán, fogar do conxunto asturiano Unión Deportiva Llanera. Agárdase que o Chacho Coudet opte por un once moi diferente ao que nos ten acostumados desde o seu debut como técnico celeste, dando entrada desde o inicio a xogadores como Iván Villar, Fran Beltrán, Fontán ou Baeza. Mouriño, denunciado A actualidade do Celta non se cingue ao eido estritamente deportivo, pois a Comunidade de Montes de Tameiga anunciou unha querela contra o presidente Carlos Mouriño pola nova cidade deportiva de Mos, na que din "produciuse unha groseira desviación das obras executadas respecto da licenza da que pretenden ampararse".
PRAZA_21078
A cifra máxima de casos activos de Covid-19 foi semellante á do outono, mentres que no conxunto de Galicia a incidencia foi máis do dobre da rexistrada en outubro e novembro. Tamén diminúe a porcentaxe de mortes que tivo lugar nestas instalacións, que pasou de representar o 40% do total a roldar o 27%.
A terceira onda da pandemia COVID en Galicia está a ser a máis dura de todas as rexistradas. É, con moita diferenza, a que rexistrou un maior número de diagnósticos positivos (en parte, debido á maior capacidade de detección con respecto á primeira onda), provocou xa un maior número de hospitalizacións e ingresos e UCI que as dúas primeiras vagas e, así mesmo, está xa moi preto de superar en pouco máis dun mes as 619 mortes que causou a primeira onda entre marzo e xuño. Hai un ámbito no que a terceira onda está a ser menos grave que as dúas anteriores: as residencias de maiores e de atención á discapacidadeCando a comparación se establece coa segunda onda (cun nivel de realización de probas de detección semellante), as diferenzas son abismais, igualando o número de casos detectados entre o 1 de xaneiro e o 8 de febreiro a todos os que se diagnosticaran entre o 1 de outubro e o 31 de decembro. E, igualmente, con case 600 mortes nas terceira onda, fronte ás 250 rexistradas nos últimos tres meses do pasado ano. A terceira onda, ademais, deixou un novo récord de casos tanto entre o persoal sanitario coma nos centros de ensino.Porén, entre todas as malas novas, hai un ámbito no que a terceira onda está a ser menos grave que as dúas anteriores: as residencias de maiores e de atención á discapacidade, instalacións ademais que nos últimos anos rexistraron o maior número de falecementos por mor da Covid-19, sumando ata o momento un total de 734 falecementos pola enfermidade.Durante o mes de xaneiro, as defuncións de usuarios e usuarias das residencias representaron o 26,5% do total, fronte ao 40% de meses anterioresA diferenza é clara no que atinxe ao número de falecementos, como destacabamos hai uns días nestoutra análise. Durante o mes de xaneiro, as defuncións de usuarios e usuarias das residencias representaron o 26,5% do total, fronte ao 40% de meses anteriores. De feito, durante a primeira onda, entre marzo e o verán, as residencias de maiores sumaron o 45,4%. En xaneiro a cifra de mortes seguiu a ser moi elevada (106 defuncións), pero en termos relativos a situación experimentou unha mellora.Ademais, dende o 1 de xaneiro as residencias acumulan un total de 1.552 positivos de coronavirus (1.116 entre os usuarios e usuarias e 436 entre o persoal), unha cifra moi elevada, pero que se sitúa a un nivel semellante ao que se rexistrou durante a segunda onda da pandemia. Cómpre ter en conta que no conxunto da sociedade o impacto da terceira onda está a ser moito maior, polo que o número de contaxios no interior das residencias tamén debería ser (moito) máis elevado do que foi no outono.A diferenza obsérvase claramente no número de 'casos activos' notificados pola Consellaría de Sanidade, é dicir, o número de persoas que nun momento determinado están infectadas pola Covid. Durante a segunda onda da pandemia a cifra de casos activos chegou a ser de 10.368 (7 de novembro). Máis ou menos neses días pódese colocar o 'pico' de diagnósticos da segunda onda, que iniciou un descenso ata mediados de decembro. En cambio, durante a terceira onda o indicador de casos activos chegou a acadar os 22.912 o 30 de xaneiro, máis do dobre do punto máximo do outono. Dende o 1 de xaneiro as residencias acumulan 1.552 positivos de coronavirus, unha cifra moi elevada semellante á da segunda onda da pandemiaPola contra, nas residencias non se observa esa diferenza entre os indicadores de casos activos do outono e do inverno. Na segunda onda o número máximo de persoas infectadas polo coronavirus á vez chegou a ser de 799 (o 22 de novembro). Mentres, na terceira onda o 'pico' de casos nas residencias foi de 868 (o 29 de xaneiro), apenas un 8%. De feito, entre os usuarios e usuarias das residencias o récord de casos activos na segunda onda (22 de novembro) e na terceira onda (29 de decembro) foi exactamente o mesmo: 560 persoas. Hai unha pequena diferenza, iso si, entre o persoal, que chegou a un máximo de 293 activos na segunda onda e de 308 na terceira.A escalada de casos que se viviu ao longo de xaneiro nunca chegou a acadar nas residencias a dimensión que si tivo no conxunto de GaliciaNo gráfico anterior podemos observar a diferenza na terceira onda da pandemia entre a evolución xeral e a que se está a rexistrar nas residencias. Tomando como base 100 o valor máis elevado acadado pola cifra de casos activos no conxunto de Galicia e nas residencias, vemos como se moveron as curvas de incidencia en decembro, xaneiro e o que levamos de febreiro.Observamos, en primeiro lugar, como ao longo de decembro o número de casos activos descendeu moito máis nas residencias que no conxunto da sociedade. Mentres que a incidencia en Galicia nunca chegou a reducirse por debaixo da metade do seu valor máis elevado acadado a comezos de novembro, nas residencias si chegou a moverse ao redor do 30% do seu nivel máximo da segunda onda.Na terceira onda o máximo de casos activos en Galicia duplicou o acadado na segunda onda. Pero nas residencias foi case igual ao de novembroE, sobre todo, vemos como a escalada de casos que se viviu ao longo de xaneiro nunca chegou a acadar nas residencias a dimensión que si tivo no conxunto de Galicia. A cifra global de casos activos de Covid-19 en Galicia chegou a ser máis do dobre da acadada na segunda onda. En cambio nas residencias superou por pouco o nivel de novembro. Nas residencias, ademais, a velocidade de incremento do número de casos comezou a ralentizarse claramente a partir do 22 de xaneiro, un momento no que seguía a medrar rapidamente no conxunto do país. O 'pico' si chegou case á vez, pero nas residencias a incidencia comezou a descender antes que no resto.Entre os factores que puideron levar a esta menor mortalidade nas residencias de maiores e tamén ao menor número de contaxios están as restricións impostas polo Goberno galego ás visitas de familiares nestes centrosEntre os factores que puideron levar a esta menor mortalidade nas residencias de maiores e tamén ao menor número de contaxios están as restricións impostas polo Goberno galego ás visitas de familiares nestes centros. En cambio, entre as persoas que viven fóra das residencias producíronse moitos contaxios provocados polas reunións familiares que tiveron lugar no Nadal. Outro factor que podería comezar a ter un impacto importante a partir de agora é o proceso de vacinación iniciado en xaneiro e que está a piques que completar a administración das dúas doses da vacina de Pfizer a todos os usuarios, usuarias e persoal das residencias. O 11 de xaneiro a primeira dose fora xa administrada ao 70% dos e das residentes e nos vindeiros días practicamente o 100% destes dous grupos terá recibido a segunda dose.Parte do descenso que se está producindo en contaxios e, sobre todo, nas mortes pode ser atribuíble ao efecto das vacinas, pero os maiores efectos comezarán a verse nos datos das vindeiras semanasCómpre lembrar, iso si, que a vacina de Pfizer que se está a administrar só acada a súa máxima eficacia (un 95%) uns días despois da administración da segunda dose. E, ademais, a vacina non se administra ás persoas que xa están infectadas, polo que naquelas residencias nas que ao longo do mes de xaneiro se produciron gromos aprazouse a administración da vacina ata que as persoas afectadas superararan a enfermidade. Parte do descenso que se está producindo en contaxios e, sobre todo, nas mortes pode ser atribuíble ao efecto das vacinas, pero os maiores efectos comezarán a verse nos datos das vindeiras semanas.
NOS_12275
A dirección nacionalista ten convocado o plenario para o vindeiro 7 de novembro, consciente de que a cita terá lugar nunha situación moi diferente á anterior.
As forzas políticas galegas non toman vacacións este verán. Os populares, tras o seu congreso galego de xullo, preparan agora os seus catro conclaves provinciais, que decorrerán na segunda e terceira semana de setembro, onde Diego Calvo, Elena Candia, Alfonso Rueda e José Manuel Baltar van repetir, non sen oposición, como máximos responsábeis da formación nas súas respectivas circunscricións. Pola súa banda, os socialistas enfrontan a recta final do seu proceso congresual nun ambiente con tensión interna, á vista das opinións expresadas en público polo seu secretario de organización, José Antonio Quiroga, e con Gonzalo Caballero e Valentín Formoso como probábeis aspirantes á Secretaría Xeral. O Bloque Nacionalista Galego tamén está as portas dunha nova asemblea. A dirección nacionalista ten convocado o plenario para o vindeiro 7 de novembro, consciente de que a cita terá lugar nunha situación moi diferente á anterior. Se en marzo de 2017, o BNG salvaba un match ball e ocupaba un lugar residual no espazo institucional galego, á volta de 2021 sitúase como segunda forza da Cámara galega, está de volta no Congreso dos Deputados e é observada por unha parte da sociedade como alternativa ao PP. Neste contexto, os nacionalistas apostan por sacar conclusións dos aspectos que lle teñen permitido avanzar nestes últimos catro anos, significando entre eles a coherencia ideolóxica, a defensa sen complexos do proxecto estratéxico, nomeadamente no referido á autorganización, a militancia e os liderados institucionais e orgánicos. O temario do plenario divídese en tres bloques. Un primeiro, de reflexión sobre a situación internacional e nacional nun contexto de profundos cambios cruzados pola pandemia, de mudanzas na correlación de forzas no escenario mundial e de novas problemáticas derivadas dunha crise sen precedentes nos últimos 75 anos. Un segundo, de concreción de liñas de actuación, en palabras dun dos dirixentes, "para consolidar electoral e socialmente o BNG" e definición programática, onde toma un particular relevo a definición dunha proposta ben perfilada para o actual debate territorial. A este respecto, os nacionalistas defenden actuar en tres planos, impulsando a reivindicación estratéxica de soberanía nacional, formulando unha proposta para un novo marco de relación xurídico-política co Estado, coa reclamación dun modelo de financiamento baseado no concerto como aspecto central, e reivindicando a transferencia á Galiza das competencias pendentes. As receitas organizativas suxeridas nos documentos en redacción apostan por "reforzar política e ideoloxicamente o BNG, facéndoo moito máis eficiente e eficaz no traballo institucional e social". A este respecto, fontes da dirección lembran "o espectacular crecemento de militancia do último ano, con máis de 1.000 novas incorporación nos últimos meses" e aspiran a seguir ampliando cuantitativamente a organización. No mesmo sentido, defenden unha "afiliación máis presente na dialéctica social e introducida nas dinámicas do campo nacionalista". Outro dos retos para o BNG pasa por conseguir unha maior integración da nova afiliación, así como pola posta en práctica de políticas de formación. A esta mellora organizativa liga a dirección nacionalista un avanzo electoral nos comicios locais de maio de 2023.
QUEPASA_756
8 posibles candidaturas para o sainete municipal de Coristanco.
Cando un escoita a palabra Coristanco véñenlle á cabeza moitos episodios protagonizados por algúns dous seus políticos. Hoxe tivemos conta dun novo esperpento municipal. Todo o mundo recorda aqueles días posteriores ás eleccións municipais do 2015 nos que non se falaba máis que de mercadurías políticas, a investidura de Amancio Lavandeira que facía goberno cun tripartito, apoiado por Abraham Gerpe. Pois ben, apenas dous anos tiveron que pasar para comezar a ver os froitos maduros, case podres, daqueles pactos: unha moción de censura impugnada na que se proclama alcalde o concelleiro menos votado das listas do PSOE co apoio dos 6 edís do PP; unha baixa retroactiva e a cesión temporal da "silla" a Antonio Pensado para rematar unhas facturas pendentes da súa época; abandono de tres concelleiros do equipo de Goberno… Pero é que nos poucos meses que Gerpe pasa efectivamente na Alcaldía non pode desvincularse do camiño trazado dende fai moito tempo en Coristanco por Antonio Pensado: contratacións fraccionadas e sen concurrencia, ausencia de xestión en pro do interese público, expedientes políticos, falta de técnico municipal, ausencia dunha xestión de persoal, interese único por saír na foto, apertura de expedientes aos traballadores que non lle seguen o rego, como tamén facía Plágaro, ata meténdose coa saúde dos que están de baixa. E todo no marco dun momento no que a Conta Xeral se volveu presentar fóra de prazo, no que se está ampliando o periodo medio de pago de facturas ata o punto de ter que pagar o Concello importantes multas. Ademais, segundo puidemos comprobar no mes de novembro repartiu produtividades. Case 7.000 repartidos discriminadamente entre os traballadores "acólitos". Algúns que mesmo acoden a clases de gaita en horario laboral, ou que empregan medios públicos para fins privados. Pola contra, varios traballadores municipais que non están dacordo coa política de amizade eternamente instaurada no concello coristanqués, padecen expedientes ao marxe da legalidade, coma o xa declarado nulo por sentenza en novembro de 2018 da secretaria; ou lles aplica aos traballadores cantidades diferentes ás establecidas polo Goberno estatal, fixas e iguais para todos os funcionarios de todas as administracións nas leis de orzamentos xerais do estado; ou lles quita as pagas extras, o que lles obriga a acudir aos tribunais para obter o que lles corresponde, ou simplemente os marxina de percibir esas produtividades, aínda que traballen máis e mellor que eses "colaboradores" que as reciben.
NOS_49452
A consultora pública Ineco tería avaliado os riscos do traxecto ferroviario Ourense-Compostela até o quilómetro 84,144, o cal deixou fóra do escrutinio a curva de A Grandeira, xusto onde, a 24 de xullo de 2013, se produciu o sinistro en que perderon a vida 80 persoas e outras 144 ficaron feridas.
Adif non considerou necesario avaliar os riscos da curva de A Grandeira ou no mínimo non encargou que se fixese ese traballo, declarou esta terza feira a técnico da consultora pública Ineco Laura López, citada polo titular do xulgado número 3 de Compostela en calidade de investigada. Laura López foi a encarregada de aprobar o informe de avaliación externa da liña Ourense-Santiago. Está imputada, como tamén o están outros dous técnicos de Ineco, Salvador Arriaga, autor do informe, e Jorge Merino, quen se ocupou de revisar o traballo. A técnico esclareceu que o emprazamento de Santiago -o ámbito que inclúe a curva onde se produciu a traxedia- non foi analisado de maneira "contundente", segundo fontes consultadas por Europa Press. A análise de riscos tería concluído no Irixo, quilómetro 84,144, sen alcanzar a curva de A Grandeira, que se acha no ponto quilométrico 84,413. A distancia entre ambos pontos apenas é de 300 metros. Esta mesma terza feira, declarou tamén perante o xuíz outro dos imputados, o técnico de seguranza de Renfe, Antonio Lanchares, quen se mantén no seu cargo após ter amagado con demitir. Pola súa parte, as víctimas demandaron o cesamento de Lanchares. Esta mesma segunda feira, de feito, criticaron a súa "demisión ficticia" na que só aprezan "un teatro" e "un amago" que, denuncian, só provoca "máis sufrimento" ás familias.
NOS_26173
Finaliza sen acordo unha nova xuntanza entre administración e sindicatos. O vicepresidente afirma que había un preacordo con catro centrais.
Continúa a greve da administración de xustiza, que xa supera os dous meses de duración. A xuntanza desta cuarta feira entre administración e sindicatos volveu acabar sen acordo e coas posturas cada vez máis enfrontadas. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou que había un preacordo con 4 dos 7 sindicatos con representación e que todo acabou finalmente frustrándose. Rueda recoñeceuse "perplexo" e "indignado" e cargou contra os sindicatos, aos que advertiu que a última proposta presentada esta cuarta feira (suba salarial mensal dos complementos retributivos autonómicos do persoal de xustiza que se traduciría en en 140 euros máis para os médicos forenses, 135 euros para xestores, 127 para tramitadores e 122 para os auxilios xudiciais. Aplicaríase en tres anualidades) perdeu "a súa validez". E quixo deixar "absolutamente claro" que non haberá "ningunha oferta a maiores". Os representantes do sete sindicatos que están no comité de folga de xustiza –CIG, SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, UXT, CSIF, STAJ e CC.OO.-- compareceron conxuntamente para reivindicar a súa "unidade" e acusaron Alfonso Rueda, de "mentir", á vez que esixiron o seu cesamento. "Non hai acordo e deixan aos galegos cun conflito por 12 euros", sentenciou Manuel González Carvajal (UXT).
PRAZA_8161
A Alianza Rural Galega presenta un manifesto que pretende poñer as bases para unha gran plataforma galega contra a minería contaminante e no que reclama un aproveitamento sustentable dos recursos xeolóxicos.
A Alianza Rural Galega, que forman Adega, CIG, Fruga e a Organización Galega de Comunidades de Montes en Mancomún, vén de presentar o Manifesto polo Aproveitamento Sustentábel dos Recusos Xeolóxicos e contra a Minaría Contaminante. As organizacións que o subscriben agardan que poida "servir de base para a constitución dunha ampla plataforma social galega contra a minería contaminante" e as múltiples ameazas deste tipo que ten Galicia, tal e como se acordou tras o encontro de expertos celebrado en Teo o pasado mes. O texto reclama que "se prohíban as técnicas de fracking" e as minas a ceo aberto, así como o uso de cianuro na extracción de minerais. "Trátase de conquerirmos un amplo acordo social arredor dunhas condicións mínimas para garantir un aproveitamento racional dos recursos mineiros, rexeitando determinadas práticas e establecendo criterios para salvagardar os ecosistemas e o noso medio rural", aseguran os autores dun texto que pretende ser un "mínimo común que permita dar unha resposta global en clave galega á grave ameaza que a minaría supón". Por iso, insisten en convidar a "todos os colectivos sociais, políticos, asociacións e plataformas de afectados a participar neste proceso, debater as propostas e incorporalas". "O aproveitamento dos recursos non debe comprometer o acceso das xeracións futuras a estes recursos e aos usos do solo" Xa que logo, o manifesto lembra que cómpre asegurar que o aproveitamento dos recursos xeolóxicos "non comprometa o acceso das xeracións futuras a estes recursos e aos demais usos do solo" polo que sería necesario "previr e limitar os efectos nocivos das actividades mineras e promover a sustentabilidade ecolóxica, económica e social do seu aproveitamento e minimizar os seus riscos ambientais". O texto sitúase claramente en contra da minería a ceo aberto e da fractura hidráulica (fracking) por ser "actividades de moi graves impactos sobre o territorio, o medio ambiente e sobre os distintos usos do solo" e recorda que "moitas das materias primas que se tiran da actividade mineira, particularmente os metais e elementos tecnolóxicos pódense obter mediante a reciclaxe". Ademais, o documento lembra tamén que a explotación dos recursos mineiros e particularmente dos metais "está controlada por grandes empresas transnacionais que operan baixo criterios especulativos aplicando prácticas neocolonial" e pide que a Administración Pública, a través do Consello da Minaría de Galicia, "deberá tutelar o aproveitamento destes recursos para garantir a sustentabilidade ambiental e social dos proxectos". "Os recursos xeolóxicos teñen que ser usados para satisfacer as necesidades da poboación e non os intereses da empresa" Por todo o anterior, as entidades asinantes reclaman en varios puntos que os recursos xeolóxicos sexan usados "de forma eficiente para satisfacer as necesidades da poboación e non os intereses das empresas" e que non aumente a extracción de substancias da codia terrestre "se estas materias primas poden ser beneficiadas mediante a recuperación e a reciclaxe". Xa que logo, reclaman tamén que os traballos de extracción se fagan "coas mellores técnicas dispoñibles en funcción do seu impacto sobre o ambiente e a saúde" e que o aproveitamento dos recursos xeolóxicos sexa "compatíbel coa protección do medio ambiente e do patrimonio histórico-arqueolóxico e cultural". "O aproveitamento destes recursos non debe empobrecer os sistemas agroforestais nen alterar os ecosistemas naturais", insiste. O manifesto pide con claridade a prohibición do 'fracking', das minas a ceo aberto e o uso de cianuro Por outra banda, reclaman que "se prohíban as técnicas de fracking", a extracción "de minerais metálicos e outros elementos tecnolóxicos polo sistema de ceo aberto", que o uso do cianuro "quede vetado en todo caso, así como o emprego de substancias perigosas ou metodoloxías que poidan poñer en risco a saúde ambiental e cidadá se non existen alternativas". A este respeito, as técnicas de fracking non estarán permitidas en todo o territorio galego, incluida a plataforma continental. Ademais, piden que "todos os xacementos de susbtancias minerais metálicas e elementos tecnolóxicos existentes no subsolo de Galiza, incluindo a plataforma continental, sexan considerados estratéxicos para o país". "A participación das administracións no beneficio neto das empresas concesionarias no debería ser inferior ao 20%", reclama o manifesto, que aclara que "non se poderán conceder permisos de exploración, investigación e explotación mentras non se elabore o Plano Sectorial das actividades extractivas e se constitúa o Consello da Minaría". "Os responsábeis das concesións deberán contar, antes do inicio da actividade, cun seguro ou garantía de cobertura con entidade suficiente para garantir o pago dos custos e indemnizacións xeradas por eventuais accidentes", engade, ademais de solicitar que "os beneficios obtidos polas administracións derivados das actividades mineiras autorizadas se dediquen en primeiro lugar á mellora ambiental e socioeconómica das comunidades nas que de desenvolvan proxectos de explotación e a proxectos dinamizadores do medio rural".
NOS_40171
En conversa con Nós Diario, directores, músicos e membros das xuntas directivas das bandas de música da Galiza expoñen como están a levar este parón causado pola pandemia da Covid-19. A falta de ensarios e actuacións poñen en perigo este tipo de formacións que tanto achegan á cultura e á sociedade galega a través de valores como o compañeirismo.
As bandas de música populares, entendidas como as formacións de instrumentos de vento e percusión responsábeis de amenizar as verbenas galegas e ofrecer grandes concertos dentro e fóra de auditorios, víronse silenciadas por mor da pandemia da Covid-19. Actualmente no país existen 95 agrupacións rexistradas na Federación Galega de Bandas de Música Populares (Fgbmp) –aínda que sinalan que o número real é maior– cunha suma de máis de 7.000 músicos integrantes. Desde a máis lonxeva como a Banda de Música A Lira de Ribadavia (con máis de 180 anos de historia) até as de recente creación como a de Oza-Cesuras (2015) achegan á cultura galega "un gran patrimonio inmaterial de expresión artística e un importante labor social" desde hai máis de 200 anos, sinala o clarinetista e presidente da Asociación Cultural Liradavia, da que depende A Lira e a súa escola de música, Juan Álvarez González, en declaracións a Nós Diario. A súa exposición nos tradicionais concertos e procesións que as bandas realizan nas festas locais e a influencia familiar e social pasada de xeración en xeración son os principais motivos polos que rapaces e rapazas chegan a formar parte destas formacións. "Non hai bo festexo que se prece de selo se non ten no seu día grande unha banda de música actuando", apunta Gustavo Barcia Seijo, tuba da Banda de Música Xuvenil de Torroso. Se ben é certo que antigamente a escolla do instrumento a tocar ía dada segundo a escaseza do mesmo na agrupación, como é o caso de Barcia ou o clarinetista David Fiuza –actual director da Banda Municipal de Lugo–, actualmente son as crianzas as que van elixindo a súa especialidade –trombón, saxofón, trompa ou óboe– a medida que avanzan nas escolas de música de grao elemental, moitas destas ligas ás formacións bandísticas. Para poder chegar a interpretar unha obra como pode ser o "Pasodobre de Ponteareas", composto polo persoeiro ponteareán Reveriano Soutullo, unha das pezas galegas máis tocadas internacionalmente no mundo das bandas, é preciso moitas horas de ensaio tanto a nivel individual como colectivo. Isto promove unha serie de valores que "en moitas ocasións esquecemos, como o compañeirismo, a responsabilidade, traballo e obxectivos en equipo, entre outros", comenta en conversa co xornal o director da Lira de Ribadavia, Xabier Oliveira. Actuacións si, ensaios non Mais todo isto quedou a un lado coa chegada da pandemia da Covid-19 hai xa un ano, tempo que moitas destas bandas levan sen poder ensaiar polas restricións sanitarias. Se ben "durante 2020 se experimentou con vídeos en conxunto, que non deixaban de ser montaxes de práctica individual seguindo un mesmo tempo", explica o presidente da Fgbmp, Iván Estévez, a Nós Diario, "na actualidade atopámonos na circunstancia de que unha banda podería ser contratada para tocar nun auditorio, mais non podería xuntarse para ensaiar", destaca. Debe terse en conta que moitas destas bandas son asociacións ou unións musicais e, en termos lexislativos, as reunións destes músicos considéranse reunións de amigos. Hai bastantes bandas que, se ben non se disolveron aínda, son conscientes de que cando chegue a normalidade non contarán con todos os compoñentes que tiñan Desde a federación aseguran que "hai bastantes bandas que, se ben non se disolveron aínda, son conscientes de que cando chegue a normalidade non contarán con todos os compoñentes que tiñan, xa que esta situación, especialmente nunha actividade de voluntariado, leva á desaparición dunha agrupación". Alén dos problemas en canto ás e aos compoñentes, a situación tamén se agravou no ámbito económico. Sen actuacións para poder obter ingresos, as bandas vense nas mans das administracións para poder seguir adiante. Moitos dos convenios a nivel local ou das deputacións van ligados á realización de concertos ou actividades que, sen poder realizarse, tampouco se reciben os cartos precisos para soster estas formacións. Nos casos das escolas de música si que teñen recibido axudas, xa sexa a nivel local ou desde a Administración galega. Inda así, tanto directores, músicos como membros da directiva expoñen que "é preciso máis vías de actuación por parte de todos os entes administrativos para que estas agrupacións non desaparezan e con elas todas as actividades laborais, funcións educativas, sociais e culturais que achegan á nosa sociedade", sinala Blanca Represas, directora da Banda Infantil de Xinzo (Ponteareas). "Mais isto xa viña sendo preciso antes da pandemia", apunta Fiuza. A pesar disto, e "grazas ao importante apoio recibido nos lugares onde desenvolvo esta actividade musical", expresa ao xornal o director das Bandas de Música Oza-Cesuras, Ordes e Ortigueira, Enrique Lagares, seguen a crear cultura galega. "A ilusión e a paixón que músicos e directiva transmiten para poder seguir soñando cos proxectos que queremos levar a cabo cando todo volva ser normal é o que nos impulsa a seguir loitando", engade o director da Banda de Música de Salvaterra de Miño, Daniel Gregores. É deste modo que agrupacións como a Banda de Música Xuvenil de Torroso puideran chegar a realizar durante o verán do ano pasado dúas actuacións "cumprindo con todos os protocolos sanitarios", explica a directora da banda, Ángeles Lorenzo. "Cando a situación mellorou comezamos a facer ensaios en grupos pequenos ao aire libre para preparar o concerto", explica. Primeiros pasos cara á profesionalidade Na maioría dos casos, as bandas de música son os primeiros pasos daquelas crianzas que, chegado o seu punto, deciden dedicarse de forma profesional á música. O clarinetista da Banda de Música Municipal da Coruña, Óscar González, orixinal da formación de Salceda de Caselas, sinala que esta última "sempre estivo detrás de toda decisión que tomei, porque por unha parte formoume musicalmente nunha serie de valores dos que a día de hoxe me sinto moi afortunado e por outra porque coñecín xente que me axudou a seguir un camiño adecuado ao que eu quería, que nas idades temperás é complicado ter esas cuestións claras". O mesmo testemuño presenta David Fiuza, director galego con gran relevancia internacional no mundo das bandas, quen relata que, cando tiña 15 anos, foi o seu mestre de solfexo quen lle dixo "de modo imperativo, que tiña que asistir ao curso de dirección co mestre Marcel van Bree, que se ía levar a cabo coa Banda Artística de Merza e, tras asistir ao mesmo, tiven claro que quería ser director". Todos concordan en que as bandas de música "non desaparecerán, porque é imposíbel privar o pobo dun medio de expresión artística e cultural como son estas formacións". Só tres mulleres dirixen bandas de música Das máis de cen bandas de música populares que existen no país, a federación só ten constancia de tres mulleres que actualmente desenvolvan o traballo de directora artística. Ángeles Lorenzo, directora da Banda de Música Xuvenil de Torroso (Mos); Blanca Represas, Banda de Música Infantil de Xinzo (Ponteareas); e Alicia Porto, da Banda de Música A Unión de Guláns (Ponteareas) son as tres mulleres coa batuta na man. Lorenzo comezou a desenvolver a súa responsabilidade musical na banda mosense hai 20 anos. "En setembro de 2001, de modo pasaxeiro eu ía ser a persoa encargada da Banda de Torroso mentres non se atopaba un director adecuado para esta", relata en declaracións a Nós Diario. "O tempo foi pasando e fun gañando a confianza e o respecto tanto da directiva como dos meus compañeiros, xa que era parte da banda como frautista, até o día de hoxe". Pola súa banda, Blanca Represas conta que foi a propia directiva da banda quen lle propuxo ser a directora, "o antigo responsábel anterior deixara a agrupación e, nese momento, era a persoa con máis titulación na escola de música de Xinzo".A experiencia de Alicia Porto remóntase ao ano 1991, cando o director titular da banda buscaba unha persoa para a subdirección da mesma, "como naquel momento estaba cursando estudos no conservatorio e dirixir chamábame a atención, decidín optar ao cargo e desde entón estou ligada á dirección da banda, agora xa como titular", explica Porto. Nas súas experiencias, Lorenzo expón que o feito de ser muller fai que "ás veces non sexa sinxelo facerse escoitar, por desgraza aínda se ten máis en consideración a opinión dun home, teña máis ou menos experiencia". Porto tamén destaca que o "patriarcado existente neste ámbito, que semella estar mudando desde hai uns anos, facía que as mulleres tiveramos que ser perfectas e exíxennos moito máis para demostrar a nosa valía e credibilidade ante os músicos e músicas". Isto contrasta coa visión de Represas, quen asegura que "tanto alumnado como compañeiras e compañeiros trátanme de modo moi respectuoso, incluso están máis atentos a min que ao director titular da banda 'grande' (Banda de Música Xuvenil de Xinzo) cando teño que substituílo".
PRAZA_7388
Guillerme Vázquez amósase disposto "a unir forzas" con outras formacións "máis aló das diferenzas" e sempre que coincidan na defensa "do dereito a decidir".
O BNG reclama a creación dun "bloque social" para combater a "política noxenta" da dereita e conseguir así "un cambio de rumbo" en Galicia. "Estamos dispostos a unir forzas con todos os que máis aló das diferenzas coincidan na defensa deste principio irrenunciable para o nacionalismo", asegurou o seu voceiro, Guillerme Vázquez, en referencia ao "dereito a decidir" que defendeu na homenaxe a Castelao coa que a formación deu inicio ao curso político. O Bloque amósase disposto "a unir forzas máis aló das diferenzas" e sempre que coincidan na defensa "do dereito a decidir" Vázquez, que abriu a porta a acordos con outras formacións que recoñezan o dereito a autodeterminación, asegurou que, tal e como sostiña o fundador do Partido Galeguista, "a soberanía, rachar coa dependencia é fulcral para Galiza". As palabras semellante ter un claro destinatario, que non é outro que AGE e as dúas principais patas que conforman a coalición, Esquerda Unida e Anova. O voceiro nacionalista cre que "sen soberanía non hai democracia nin solución para os principais problemas deste país", pois a soberanía "é precisa para decidir sobre o futuro do leite, para ter unha tarifa eléctrica propia, para garantir a normalización do idioma, para que ninguén de fóra diga onde e canto se pode pescar, para ter un sistema financeiro propio e, en definitiva, para desenvolver as enormes potencialidade que ten Galiza". Ademais, Guillerme Vázquez reiterou que Galiza está en "emerxencia nacional" e non porque o BNG "teña especial interese en esaxerar ou en ser apocalíptico", aclarou, senón porque "esta é a dura realidade". Así, advertiu de que a mesma xa non a poden agachar nin as "terminais mediáticas" de Feijóo nin as chamadas deste a acordos imposíbeis "por moito que se envolva de Rosalía no discurso de fin de ano". Para o portavoz do BNG non é posíbel "nin acordo, nin comprensión nin silencio" por parte da formación nacionalista ante unha política "salvaxemente agresiva" con Galiza, cuxas consecuencias se poden ver, por exemplo, "nos galopantes datos do paro que se acaban de coñecer, nos despedimentos de traballadores de Novagalicia Banco ou nos milleiros de estafados pola fraude das preferentes que seguen sen unha solución para recuperar os seus aforros". "Hai que ter cabeza de mosquito e o corazón de pedra -dixo- para teimar en seguir aplicando as mesmas políticas inxustas para a maioría, para gobernar contra o pobo, que é o que fan Feijóo e o PP, gobernar contra o pobo". "Estamos en guerra, non hai tregua; ou gañan eles ou gañamos nós", asegura Guillerme Vázquez Guillerme Vázquez foi máis aló e fixo un chamamento á rebelión e á insumisión como única forma de poder desfacerse da triple dogal do Estado, a Unión Europea e o PP a través da "estúpida austeridade" de Feijóo. "Estamos en guerra, non hai tregua, ou gañan eles ou gañamos nós, de momento van gañando eles. Non hai camiño doado pero hai camiño; a conquista dos dereitos tampouco é doada pero malia que hoxe chovan pedras é posíbel, hai alternativas para ese cambio radical tan necesario que conduza a unha Galiza laica e republicana, con xustiza social e orgullo de seu, a Galiza soberana á que non renunciou Castelao".
NOS_40745
Tres de cada catro megawatts xerados na Galiza en 2020 proviñeron de fontes renovábeis. O país xa cumpre hoxe o obxectivo do Pniec para 2030, malia que no conxunto do Estado a porcentaxe actual cae a 43,6%. A pesar disto, na Galiza estase a tramitar o equivalente a 44% dos parques eólicos previstos en todo o Estado de cara á vindeira década.
A Asociación Empresarial Eólica (AEE), a patronal estatal do sector —en cuxa directiva está representada a ex conselleira de Medio Ambiente e actual alto cargo de Greenalia, Beatriz Mato—, presentou nesta segunda feira en rolda de prensa o seu balance de resultados do ano 2020, así como unha serie de retos e obxectivos de cara á vindeira década en materia de desenvolvemento enerxético. O director xeral da AEE, Juan Virgilio Márquez, expuxo as tres liñas de traballo nas que, a xuízo da patronal, debe basear a súa actividade o sector eólico de aquí a 2030: actuar con "rigor e sensibilidade" para "amosar os beneficios das renovábeis" e procurar asentarse nos territorios con "acordos win-win", "manter os incentivos" para participar nas poxas de megawatts (MW) de enerxía eólica e "aliñar" as políticas climáticas coa "innovación empresarial". A eólica galega, sobredimensionada Segundo os datos máis recentes ofrecidos pola AEE, a Galiza era ao feche do exercicio de 2020 o segundo territorio do Estado cunha maior produción de enerxía eólica en termos globais, cun resultado de 9.993 xigawatts por hora (XWh) que só superou Castela e León, con 12.574 XWh. No que atinxe á potencia instalada, o país contaba con 186 parques en funcionamento e unha potencia total de perto de 4 XW, por detrás unicamente, de novo, de Castela e León. O "sobredimensionamento" da eólica na Galiza recoñeceuno o propio Virgilio Márquez, preguntado pola crecente oposición social aos proxectos de aproveitamento do vento: "Cando a industria comezaba a arrincar fixouse un sistema de primas para facer parques eólicos en calquera territorio con base nas posibilidades de explotación do recurso eólico, e a Galiza era un dos máis rendíbeis", dixo, ao tempo que instou a "confiar no persoal técnico de cada Administración" para garantir que todos os proxectos cumpren a normativa ambiental. "Falta moita pedagoxía, existe un gran descoñecemento e magnifícanse as cousas. Mais só se instalarán os parques que cumpran todos os requisitos, e non se porán aeroxeradores onde non está permitido", engadiu. Obxectivo 2030 A AEE puxo en valor tamén os obxectivos retratados no Plan nacional integrado de enerxía e clima (Pniec) 2021-2030, cuxa principal meta é lograr na vindeira década que 74% da xeración eléctrica proceda de fontes renovábeis. Se ben o Estado español no seu conxunto está aínda lonxe de cumprila —43,6%—, a Galiza xa alcanzou a cifra o pasado ano —75,6%—. Hoxe hai a nivel estatal 27,45 xigawatts (XW) de potencia instalada, e a patronal agarda duplicala de cara a 2030 —50,3 XW—, e chegar aos 40,6 XW en 2025 como obxectivo a curto prazo. A pesar da moratoria dun ano e medio anunciada pola Xunta, que entrará en vigor en 2022, na Galiza hai actualmente arredor de 300 parques eólicos en trámite, cuxa potencia superaría os 10 XW, isto é, 44% da meta marcada a nivel estatal para 2030. Porén, corresponde á Galiza cargar co maior peso da transición enerxética? Segundo un estudo do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), o país ten potencial para instalar até 41,5 XW ao longo do territorio. A día de hoxe está en funcionamento 10,6% dese potencial eólico total, mais outros lugares como Aragón, Catalunya, Andalucía ou Castela-A Mancha, cuxos espazos de aproveitamento potencial superan o da Galiza, desenvolveron até o momento entre 7,1 e 8,8% do seu recurso eólico. Tamén a Comunidade de Madrid, a única sen aeroxeradores instalados, ten cabida para arredor de 900 MW. Caída do emprego Os postos de traballo directos do sector eólico pasaron de 4.034 en 2019 a 3.744 no ano da pandemia —24,6% do total do Estado—, mais a esta última cifra cumpriría restar os 330 empregos que se perderon en 2021 co fechamento das fábricas de Vestas en Viveiro e Gamesa nas Somozas. Perde peso, nomeadamente, a industria, que en 2019 achegaba 1.294 traballadores ao sector eólico e hoxe fica por baixo do milleiro. Aliás, das 429 sociedades que operan neste eido —fabricación de pas e compoñentes, portos, instalacións de mantemento, etc.—, só 27 —6,3%— desenvolven a súa actividade na Galiza. Tamén caeu o peso directo do sector eólico sobre o Produto Interior Bruto (PIB) do país, pasando de supor 0,7% do total en 2018 e 0,6% en 2019 a 0,54% no último exercicio —316 millóns de euros—. A industria galega é, no seu conxunto, 15,5% do PIB do país, ao tempo que o peso do sector primario fica en 4,8%. É posíbel distribuír a eólica equitativamente? A meirande parte dos parques eólicos están concentrados en tres territorios: a Galiza, Castela e León e Aragón. E son estes tres, precisamente, nos que se está a producir a maior "avalancha de novos proxectos", tal e como a definiu o director xeral da AEE, Virgilio Márquez, quen, por outra banda, pediu "calma" porque "non todos serán construídos". En resposta a unha pregunta formulada por Nós Diario, o representante da patronal recoñeceu que se está a producir unha "concentración excesiva" de parques eólicos nestes territorios. "No norte peninsular hai moitas instalacións, e poderiamos aproveitar o recurso en diferentes puntos do Estado. Alemaña, por exemplo, penaliza a construción de novos aeroxeradores na zona norte do país, onde consideran que xa hai demasiados parques", explicou.
NOS_54247
Seara xa fora candidato polo BNG de Ourense nas eleccións municipais de 2019.
O voceiro municipal do BNG de Ourense, Luís Seara, confirmou esta cuarta feira que repetirá a súa candidatura polo Bloque para obter a Alcaldía de Ourense nas eleccións municipais de 2023. Luís Seara liderará a lista do BNG ao concello de Ourense Seara, que estivo acompañado pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, repite desta maneira como candidato da formación nacionalista, após ser cabeza de lista nos comicios que decorreron en 2019. Nas súas primeiras declaracións como candidato confirmado á Alcaldía de Ourense, o actual concelleiro do Bloque afirmou ser un "namorado deste concello marabilloso, da cidade e do rural, do seu patrimonio, da súa cultura, da súa paisaxe mais, sobre de todo, da súa xente". "Estamos ante o paradigma dun concello en parálise e decadencia" Neste sentido, Seara detallou que o BNG quere que "barrios e parroquias e, sobre todo, as persoas, sexan o eixo de todas as políticas, todos e todas, comerciantes, autónomos, hostaleiros, a xente da cultura, traballadores dos servizos públicos van ter en min un aliado e un apoio, van ter sempre no BNG unha forza seria, rigorosa e con palabra , que traballa polo desenvolvemento económico do concello e que aposta por políticas xeradoras de emprego". "Un tempo novo" Pola súa parte, Ana Pontón asegurou que Seara "é o alcalde que Ourense necesita para abrir un tempo novo e darlle futuro a esta cidade, desde a dignidade, con orgullo e aproveitando todo o seu potencial". A voceira nacional do BNG sinalou que, coa confirmación da candidatura, dá por empezada "a conta atrás" para recuperar Ourense e colocala no lugar que a formación política defende que lle corresponde, "a de ser unha capital de vangarda, que xere riqueza e emprego da man do proxecto que o BNG ten para esta cidade". Pontón acusa Feixoo de permitir "un goberno letal" para Ourense "En maio de 2023 esta cidade ten a oportunidade de escoller un novo goberno que o BNG aspira a liderar, desde a humildade, pero con todo o convencemento de que temos o proxecto para que Ourense avance, para deixar atrás o caos, e abrir un tempo novo desde o orgullo, a confianza e o rigor dun goberno ao servizo da maioría", concluíu.
NOS_49193
A operadora vasca, propietaria de R, ofrece a Mato un posto no seu consello de administración, que verá reducida a súa composición a 10 integrantes.
Á ex conselleira Beatriz Mato comeza a acumulárselle o traballo. Após abandonar a vida política, na que tivo importantes responsabilidades como conselleira de Traballo e Medio Ambiente nos gobernos de Núñez Feixoo, retoma con forza a súa actividade empresarial. A súa volta ao sector público oficializouse co seu polémico desembarco na empresa de renovábeis Greenalia, marcado polo escaso tempo transcorrido desde que deixara o seu escano no Hórreo. Chegou cun posto no consello e co cargo de directora de Desenvolvemento Corporativo e Responsabilidade Social Corporativa (RSC). Agora é outra firma con intereses na Galiza a que a quere incorporar ao seu consello de administración. Trátase de Euskaltel, o grupo vasco de telecomunicacións que en 2015 adquiriu o operador galego de cable R, e faino precisamente para "reforzar o perfil galego do grupo". Beatriz Mato (Barakaldo, 1965) xa desempeñara cargos de responsabilidade en empresas antes do seu paso polo Goberno da Xunta. Enxeñeira industrial de formación, a ex conselleira traballou tamén como técnica de sistemas en IBM España (1989-1991), como técnica comercial de servizos informáticos en Rank Xerox (1991-1993) e como enxeñeira de calidade en Norcontrol, actualmente Applus (1993-1995). Portas xiratorias A comezos de ano, após perder a loita pola alcaldía da Coruña e abandonar a política, Mato fichaba por Greenalia, unha firma na que tamén está presente outro ex conselleiro, Antonio Couceiro. O seu nomeamento non estivo exento de polémica. Por unha banda, polas decisións adoptadas durante o desempeño do seu cargo como conselleira de Medio Ambiente e que puideron ter beneficiado a firma enerxética e, por outro lado, por unha posíbel vulneración da Lei de Incompatibilidades da Galiza, que estabelece no seu artigo 42 a imposibilidade de dar o salto a unha empresa privada relacionada con expedientes sobre os que ditara resolucións até transcorridos 2 anos de deixar o seu cargo na Xunta, e Mato deixou de ser conselleira de Medio Ambiente o 26 de setembro de 2018, polo que até setembro deste ano non se tería cumprido dito prazo. No caso de Euskaltel pode acontecer algo semellante, aínda que os prazos son diferentes, pois o seu nomeamento como conselleira non será oficial até a Xunta Xeral Extraordinaria de Accionistas prevista para o vindeiro 29 de setembro. Mato, como lembra a propia empresa de telecomunicacións no seu comunicado, ademais de traballar en empresas relacionadas co sector, tamén estivo á fronte do departamento de innovación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) entre os anos 1995 e 2000. Alí acometeu "labores de apoio ás empresas galegas en materias como tecnoloxías da información e servizos de consultoría" e tamén prestou servizos de asesoramento económico-financeiro, internacionalización e apoio ao emprendemento, apunta Euskaltel. Os plans de Euskaltel O nomeamento de Mato como nova conselleira do Grupo Euskaltel foi proposto por unanimidade polo consello de administración, xunto co de Ana García Fau. Ambas integrarán o máximo órgano de decisión da compañía como independentes. Como sinala o propio grupo, esta proposta permitirá a Euskaltel "adoptar os modelos máis avanzados na adecuación das normas de bo goberno corporativo", xa que as mulleres pasarán a representar 40% deste órgano de goberno, e tamén pola independencia das mesmas. O Consello de Administración do Grupo Euskaltel tomou a decisión de propor a incorporación das novas conselleiras, "atendendo ao perfil profesional de ambas as candidatas e a súa dilatada experiencia e coñecementos no sector das telecomunicacións, tanto a nivel local como nacional e internacional", destacan desde a empresa. Os nomeamentos prodúcense nun momento chave para o grupo vasco de telecomunicacións no que se integra a galega R. Recentemente, Euskaltel aprobou un plan estratéxico a cinco anos que ten entre os seus principais obxectivos a expansión ao mercado español da man de Virgin. Para Euskaltel, tanto Mato como García Fau contan co perfil axeitado para esta nova fase na evolución da compañía, cuxa estratexia pasa por "fortalecer o arraigo das marcas tradicionais nos seus mercados naturais" e abrirse ao mercado español para reforzar o liderado da compañía na transición dixital.
NOS_3305
Máis de 150 actividades, máis de 70 expositores. Encontros profesionais e foros. Novas producións, mostras, debates. Culturgal consolídase como o maior escaparate para a cultura galega nesta nova edición que se desenvolve en Pontevedra do 5 ao 7 de decembro.
O Pazo da Cultura de Pontevedra ábrese un ano máis para acoller Culturgal, o maior escaparate da cultura galega que nesta sétima edición conta revalidar e mesmo superar as 15.000 persoas que atravesaron as portas no 2013. Por volta de duascentas actividades programadas en distintos espazos e case un cento de expositores farán da Feira das Industrias Culturais a mostra máis ambiciosa das novas producións e iniciativas da cultura galega. Desde o 2007 no que naceu, Culturgal desenvolveuse entre a Coruña e Pontevedra -fóra do 2009 no que non se celebrou- mais é na cidade do Lérez na que se estabiliza co modelo actual, cunha organización da que forman parte Asociación Galega de Editores (AGE) , Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI). En vésperas da campaña de Nadal, son moitas as industrias da cultura que apuran as súas producións para chegar ao Culturgal, un espazo de privilexio para se dar a coñecer e mesmo para vender aos milleiros de persoas interesadas na cultura que se achegan a Pontevedra desde todo o país. Novidades editoriais cos seus autores e autoras entrevistad@s ao vivo, concertos e presentacións musicais, novas e anovadoras iniciativas, propostas teatrais, producións audiovisuais, reunións sectoriais, propostas institucionais, programas profesionais... Culturgal constrúese dun amplo abano de iniciativas de entidades e particulares que teñen xa a Feira como referencia para o encontro arredor da nosa cultura. Desta volta, a cultura gastronómica é unha das novidades dunha Feira que volve ter na difusión das producións da industria do sector un dos seus principais eixos. "A cultura gastronómica é unha das novidades dunha Feira que volve ter na difusión das producións da industria do sector un dos seus principais eixos". Nove de cada dez repiten A consolidación mídese tamén en que nove de cada dez expositores que participan en Culturgal recuncan ano tras ano, confirmando a rendibilidade da presenza na feira. Música, Libros, Tecnoloxía, Audiovisual, Artes Escénicas ou Gastrocultura son algunhas das áreas que completan un programa que presta especial dedicación á cada vez maior produción cultural destinada ao público infantil, da que hai unha ampla presenza no programa e que consegue converter Culturgal nun destino privilexiado para o público familiar. "A obriga de Culturgal é todas as edicións sorprender,innovar e visibilizar os produtos e servizos das industriais culturais galegas en todos os seus eidos. Eis un proxecto ilusionante no que contribuiremos co noso esforzo", sinalou o presidente de Cultural, Manuel Bragado no acto de presentación da Feira ao tempo que marcou como obxectivos a ampliación do "perímetro" da feira, a constitución dun foro de encontro de creación de todas as disciplinas alén da procura dun modelo económico sostíbel para a feira que garanta a súa viabilidade e que pase pola "corresponsabilidade dos públicos e os patrocinios privados". Gastrocultura A presentación do libro do Grupo Nove, Pepe Solla tocando, un recital poético gastronómico ou dúas ceas temáticas son algunhas das propostas para a nova dimensión gastrocultural da Feira. Dos outros ámbitos, Culturgal segue a ser referencia para as novidades editoriais, musicais ou audiovisual ademais de plataforma de lanzamenento de novas propostas, desde revistas na rede até proxectos empresariais do ámbito da cultura. Escritores e escritoras como María Reimóndez, Francisco Castro, Ledicia Costas, Manuel Rivas, Suso de Toro, Fran Alonso, Alberto Ramos ou Xabier Quiroga achéganse á Feira para presentar os seus libros maiormente en forma de acto de sinaturas ou entrevista xornalística ao vivo. Guadi Galego, Alba María, Maghúa, Samarúas ou Pandeiromus traen as novedades musicais nun programa que inclúe o especial concerto do sábado de Caxade coa Banda de Bandeira. "O fotocol é un dos sinais do Culturgal. Sermos Galiza instalará o seu o sábado ás 17 horas". Singular presenza, como vén acontecendo nos últimos anos, ten a programación destinada a público infantil. En especial en formato CD-Libro, as novidades editoriais, musicais e teatrais ofrecen un amplo abano que vai desde a estrea do espectáculo Xiqui Xoque Fiú Fiú do Proxecto María Fumaça até o de marionetas "A casa do avó" de Tanxarina pasando por "Estamos no verán" de Xoán Curiel, "Chíos" de Teatro da Semente ou o aduiovisual "A tropa de trapo na selva do arco da vella". Asociacións e institucións Entidades, institucións e asociacións como AGAL, Asociación de Bibliotecas Municipais e Escolares, a Sección de Crítica da AELG, Fundación Risco, PuntoGal, A Mesa pola Normalización ou Fundación Uxío Novoneyra, Concello de Carballo, Área de Cultura da Deputación de Lugo ou Implicadas no Desenvolvemento son algunhas das que contribúen coas súas xuntanzas e actividades ao programa xeral de Culturgal. Dúas exposicións "Do papel ao xesto. Libros de artistas e outras diverxencias" e "Bravú XX. Tanta paixón, quen poderá detela!" -que guía en dúas ocasións Xurxo Souto- acompañan á ampla programación que ten, como en anteriores ocasións o "fotocol" como un dos sinais de identidade. O de Sermos Galiza será un dos que se instale no Pazo da Cultura canda outros como o da asociación "Ponte... nas ondas!. O programa completo e o mapa de expositores pódese consultar neste enlace.
NOS_17240
"Diálogos desde a periferia" abordou na xornada de hoxe o seu quinto encontro, no que se falou arredor dos modelos urbanísticos alternativos. O evento, que foi telemático, foi moderado pola edil pontevedresa Carme da Silva e contou coa presenza da xeógrafa Antonia Luciani e do sociólogo Francesco Tonucci.
A Fundación Galiza Sempre realizou, na xornada de hoxe, un novo encontro dentro do ciclo "Diálogos desde a periferia", desta volta centrado nos modelos urbanísticos alternativos que poñen o foco de atención nas persoas. O encontro, que se desenvolveu de maneira telemática, a través de canle de Facebook da fundación, contou coa presenza da xeógrafa e urbanista corsa, Antonia Luciani, e do profesor e sociólogo italiano, Francesco Tonucci. A charla moderouna a tenente de alcalde do concello de Pontevedra, Carme da Silva, e contou coa colaboración da Fundación Coppieters, centrada na xestión da diversidade cultural e lingüística e no goberno multinivel, entre outros temas. A edil Carme da Silva foi a encargada de presentar as relatoras convidadas, coordinar as preguntas do auditorio en liña e introducir o tema, para o que abordou a concepción do espazo público que está levar a cabo a cidade de Pontevedra, na busca, dixo, "de conseguir unha cidade para as persoas". Nesta liña, Da Silva, falou de "democracia directa no uso do espazo público" e de "perspectiva de xénero no deseño da cidade", temas nos que abondaron Antonia Luciani e Francesco Tonucci. Un modelo urbano mesurado e os cambios que poden derivar do confinamento e da pandemia que se está a vivir centraron a charla da urbanista Antonia Luciani. Para a tamén xeógrafa, "a Covid-19 pode ser un indicador da crise das vivendas e dos espazos públicos, que non existen ou que son moi poucos nas periferias das cidades". Para Luciani, "a pandemia pode marcar un punto de inflexión para os estándares de habitabilidade". Pola súa parte, o sociólogo Francesco Tonucci achegou unha perspectiva do urbanismo favorecedor da vida en comunidade a través das "crianzas como parámetro para repensar as cidades" acuñando o concepto de "xogábel", porque para Tonucci, unha cidade "boa para as crianzas é boa para as persoas". O Sociólogo denunciou que o actual modelo é "excluínte e provoca que se perda a presenza na rúa ao acabar co pequeno comercio por favorecer as áreas comerciais". O feito de que a cidade ofreza espazos determinados para as crianzas traslada, segundo Tonucci, "unha idea de marxinación, para conseguir que non molesten", cando o xogo é unha ferramenta "para coñecérmonos e coñecer os demais, e por iso non podemos limitar o seu espazo ou determinalo ao mesmo lugar", explica. Francesco Tonucci incidiu en que "devolverlle o espazo aos peóns e reducir o dos coches permite que a crianza poida saír da casa sen acompañamento", porque unha cidade para as crianzas "obriga aos adultos, non só aos proxenitores, a facérense cargo" como acontecía, recalca o sociólogo "no tempo que os agora pais e nais eran crianzas". Unha cuestión, na que se incidiu na quenda de preguntas ao tratar a viabilidade dos "camiños escolares", que para Tonucci deben servir para aumentar a autonomía de rapaces e rapazas.
NOS_44317
A Galiza compórtase de forma distinta até no seo dunha forza como Ciudadanos, que nega a plurinacionalidade do Estado. Os resultados das votacións internas para a elección de compromisarias que escollerán a nova presidencia do partido deixou un sorprendente resultado: mentres Inés Arrimadas arrasou en todo o Estado, o sector crítico venceu na Galiza, e tan só tres días despois de que a oficialista Beatriz Pino gañase as primarias galegas por 16 votos.
Até 78% das e dos compromisarios elixidos durante a fin de semana pola afiliación de Ciudadanos (Cs) no Estado español son afíns á actual líder e portavoz da formación laranxa no Congreso, Inés Arrimadas. A política catalá relevou o fundador do partido, Albert Rivera, á fronte de Cs após este dimitir tras os malos resultados conseguidos nas eleccións xerais de 10 de novembro de 2019, en que Cs perdeu 47 escanos respecto aos comicios de abril dese mesmo ano. Con todo, a vitoria absoluta de Inés Arrimadas non é uniforme en todo o Estado. Paradoxalmente, unha formación negadora da realidade nacional galega é capaz de experimentar no seu propio o feito diferencial galego. A Galiza comportouse de maneira distinta dentro de Ciudadanos E é que a Galiza se comportou de maneira distinta esta fin de semana dentro de Ciudadanos. Mentres Arrimadas arrasaba en compromisarias e compromisarios favorábeis á súa candidatura, na Galiza non lograba máis de 33% de apoio, e a candidatura Cs Eres Tú, crítica con Arrimadas, lograba facerse con 60% de compromisarias. Todas estas persoas electas no Estado están chamadas a representar a afiliación o 14 e 15 de marzo na Asemblea Xeral de Ciudadanos e escoller a persoa que presidirá o parido. Unidos y Adelante, a plataforma oficialista nucleada ao redor de Arrimadas, informou onte de que contan con 277 dos 355 compromisarios. As críticas da plataforma Cs Eres Tú, cuxo principal referente é o vicepresidente da Xunta de Castela e León e contrincante de Arrimadas nas primarias, Francisco Igea, colleitou 21 delegadas, 5,9% do total. O resto de persoas electas, 57 (16% do total) non pertencen a ningunha das dúas plataformas en pugna. A Galiza vota diferente Arrimadas gañou e fíxoo por goleada en provincias como Madrid (48 representantes oficialistas fronte a 1 crítico), Barcelona (26 e 0), Asturies (9 a 0), Zaragoza (9 a 0), Valencia (15 a 0), Alacant (12 a 0), Murcia (14 a 0), As Palmas (8 a 0), Sevilla (11 a 0), Granada (10 a 0) ou Almería (9 a 0). Só na Galiza e nas provincias castelás de Ávila e Valladolid a plataforma crítica obtivo máis compromisarias que a de Arrimadas e independentes. Apenas tres días depois de Beatriz Pino, apoiada por Arrimadas, facerse coa candidatura de Ciudadanos á Xunta da Galiza por unha diferenza de tan só 16 votos, a plataforma crítica vén de dar a volta aos resultados. En Lugo conseguiron facerse con 100% das compromisarias e lograron impoñerse na Coruña e Pontevedra. Desde a plataforma crítica Cs Eres Tú na Galiza sinalaron atoparse "preparadas" para a seguinte votación, na que apoiarán Francisco Igea para a presidencia do partido. Igea ademais aposta por dúas galegas para formar a próxima executiva do partido: a concelleira, portavoz de Cs en Lugo e ex líder da formación na Galiza, Olga Louzao e conta tamén con María Ángeles Fernández, politóloga e responsábel de programas até que dimitiu no pasado mes de xullo amosándose crítica coa deriva da formación cara ao espazo de Vox. Manuel J. Morgade tamén será compromisario após ser electo por Pontevedra. Este vigués vén ademais de rivalizar a pasada semana con Beatriz Pino nas primarias para encabezar a candidatura á Xunta da Galiza, onde perdeu por 16 votos. Polémica pola elección da candidata á Xunta Precisamente, a plataforma de Morgade, Cs Eres Tú, emitiu onte un comunicado público após a proclamación de Pino como vencedora, denunciando que a Comisión de Garantías lles remitiu un censo de 428 persoas con anterioridade á data das primarias, mentres que ao revisaren a acta de votación das eleccións se atoparon coa "sorpresa" de que había 588 persoas no censo. Excluír a minoría O modelo de listas abertas para a elección de delegadas e delegados para participar da Asemblea Xeral amosa a laminación que as listas abertas supoñen sempre para as minorías, a pesar de que habitualmente se di no seu favor que son "máis democráticas". O certo é que as listas abertas favorecen a maioría e deixan infrarrepresentadas e mesmo anuladas as minorías. Este foi o procedemento elixido por Cs. Cada afiliado puido riscar un número proporcional de compromisarios na lista e, ao facer o escrutinio ordenáronse de máis a menos votados. Os primeiros máis apoiados foron os electos. Así, por exemplo, en Madrid, dos 49 electos tan só un crítico conseguiu colarse. Os candidatos que ficaron por debaixo quedaron fóra da Asemblea Xeral, independentemente da porcentaxe que lograsen, aínda mesmo nun suposto de que tivesen colleitado 49,9% de apoio. A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube
PRAZA_5210
Aínda estamos a tempo de facer que medre máis o músculo da rebeldía en Galicia e desta volta non haberá reproches nin teremos en conta sequera os piropos.
A Dignidade da clase traballadora e dos pobos das nacións sen estado, foi a protagonista indiscutíbel do pasado sábado 22 de marzo en Madrid cunha mobilización de proporcións tan descomunais que non entraban nin nos mellores cálculos daquelas persoas máis optimistas e xenerosas facendo predicións para este tipo de eventos. Sen dúbida, este movemento xigantesco está chamado a ser a referencia imprescindíbel na gran xeira que se abre para derrubar este réxime emanado da Reforma Política Franquista. Cómpre seguir mobilizando a xente e activar tamén a aquelas persoas que aínda non sentiron a chamada da rebelión, malia estaren a padecer unha situación de inxustiza social calamitosa. Este movemento xigantesco está chamado a ser a referencia imprescindíbel na gran xeira que se abre para derrubar este réxime Obviamente, este obxectivo ímolo conseguir se insistimos tomando a rúa e persuadindo camaradas en tódolos centros de traballo, barrios, aldeas... O noso traballo é agora seguir aglutinando forzas na perspectiva da unidade obreira e popular que xa é, como nos están a ensinar os episodios e a praxe máis recente, popularmente irrevogábel dende o punto de vista táctico. A acción unitaria é a estratexia coa que mellor responde e se identifica o pobo e é lóxico que así sexa nunha conxuntura global de crecemento do poder financeiro e de desmantelamento programado das estruturas elementais que aínda tiñamos para o noso benestar. Seguiremos, por tanto, atendendo esa demanda. O anormal sería virarlles as costas aos movementos sociais e desmobilizar a xente con plataformas fantasma de sindicalismo amarelo e de incidencia testemuñal que xogan ó despiste para tratar de capar a marcha cara diante do movemento obreiro e popular. O irreal tamén é fomentar a inoperatividade política, o sectarismo cego, o distanciamento coa sociedade e o discurso baleiro propio das campañas electorais clásicas da socialdemocracia, así como todo ese cúmulo de acusacións delirantes deitadas en internet cara ás entidades que realmente perseguen o cambio social. Referímonos a todo este veleno reaccionario que se verte en forma de comentarios "inocentes" nos medios dixitais e nas redes sociais desde posicións de pseudo-esquerda e pseudo-nacionalismo. Esperade simplemente a ler abaixo o tipo de comentarios que vai recibir este artigo. Como se non abondase co potente armazón mediático ó servizo do sistema... O irreal tamén é fomentar a inoperatividade política, o sectarismo cego, o distanciamento coa sociedade e o discurso baleiro propio das campañas electorais clásicas da socialdemocracia Desde logo agora é comprensíbel que determinados suxeitos se encabuxen se o que agardaban era un fracaso das Marchas da Dignidade. Normal. Ocupan así o tempo, molestándose se miran perigar o seu statu quo cando xorden novas alternativas de resistencia. Critican continuamente, as máis das veces cun conxunto de argumentos ben pobres, de xeito fanático, fantasioso e pouco críbel. Botan nesas todo o día póndolle chatas á obra, como dicía Castelao, nun exercicio de autocompracencia. E despois, se teñen a posibilidade de funcionar, comprobas que reproducen a política de sempre, disfracen como se disfracen. Están contra o sistema, esta xentiña a quen serve realmente? Supoño que xa van entendendo que o teñen complicado. Tampouco lograremos o triunfo das clases populares, hai que deixalo absolutamente claro, se as organizacións anticapitalistas basean o seu papel enchendo a boca co outro concepto dos movementos sociais tamén protagonista do 22-M, facendo malabarismo verbal e intentando parasitalos no canto de os osixenar. As Marchas xa son un fito transcendental no devir da clase obreira, de Galicia e dos pobos do Estado As Marchas xa son un fito transcendental no devir da clase obreira, de Galicia e dos pobos do Estado. Estamos nun momento histórico cunha loita que se abre e que non ten movemento de retorno. Esta inflexión é evidente a pesar do apagamento informativo preventivo decretado polo réxime, incluída a esperpéntica crónica ad hoc da manifestación de Madrid, co grupo Prisa á cabeza, reproducindo o relato da Sra. Cifuentes. O comezo atronador das Marchas non se pode rebater malia o boicot activo e planificado dende os grupos sectarios que tamén se reflicte na esquerda teórica amparada no soño de ser gardián do Santo Grial do galeguismo. A confluencia da unidade obreira e popular na capital de España foi un avance de calidade que vai máis alá do elemento cuantitativo, tamén perfectamente constatábel, por certo. O comezo atronador das Marchas non se pode rebater malia o boicot activo e planificado dende os grupos sectarios que tamén se reflicte na esquerda teórica amparada no soño de ser gardián do Santo Grial do galeguismo Ademais, a participación da nosa nación cunha abondosa Columna Nacional Galega, recibida pola veciñanza popular da metrópole con honras e coa calor solidaria do resto dos pobos que participaron na Marcha, non debería deixar impasíbel a ninguén. As Marchas pola Dignidade acollen a realidade plurinacional do Estado, e amplos sectores populares españois asumen o dereito das nacións a decidir, algo que os custodios da esencia, cegos de delirio do dogma, son incapaces de ver. Verificamos dúas evidencias que axudan a entender o que acabamos de afirmar, diríamos que estas ata son pedagóxicas. A primeira é o tratamento goebbeliano dos medios do réxime, non só no seu papel como instrumentos de propaganda do mesmo, senón como verdadeiro factor imprescindíbel do réxime á hora de fabricar unha foto fixa da violencia en Madrid, obviando e mentindo, de paso, sobre o carácter multitudinario da mobilización. A segunda é o nerviosismo patético do esencialismo galeguista que impregna o segmento baleiro de contido arredor dese novo soberanismo. É obvio, cando hai tan só dous anos consideraban consolidada a autonomía galega, ou cando condenaban o fenómeno "terrorista", cumprindo a partitura do réxime. Despois de arredor de 25 anos instalados no autonomismo, poñen nestes momentos o disfrace e botan o fel e a escuma pezoñenta nos foros de debate desde un suposto purismo. A súa talla política e intelectual cualifica estas persoas por si mesma. Sintomaticamente, a súa preocupación obsesiva, igual que El País e La Razón, é pór en solfa o número de manifestantes ou pórse a contar as bandeiras españolas republicanas que había en toda a manifestación do 22M. A irreflexión daquelas persoas que primeiro intentaron sabotear as Marchas a través do invento morto da Alianza Social Galega, versión de provincias do Cumio Social, tamén vai adobada con altas doses de ignorancia. Aí parece que xa non hai españolismo, nin tampouco colaboracionismo cos sindicatos da patronal. Polos termos nos que se expresan, é evidente que o seu sobrado discurso carece da máis mínima información ó respecto de como se conforman as Marchas da Dignidade que, afortunadamente, é moito máis interesante do que suxire a súa ruín dedución, a súa mediocre coartada: IU, españois, centralismo, etc. Os ideólogos desta ensalada de despropósitos, debéranse ver no espello da coherencia, parlamentaron en Madrid moitos anos e non tiveron tanto reparo para pactar e gobernar co PSOE en múltiples institucións, ata na Xunta e mesmo cedéndolles o departamento de Política Lingüística. Por non falar,aínda hai nada, das loanzas na prensa á vida e obra do neofranquista Adolfo Suárez. E agora teñen o papo de falar do papel da esquerda vasca e catalá na manifestación de Madrid de maneira fraudulenta pero, sobre todo, ignorante. Non queren darse conta de que o sindicalismo arbertzale ten un papel fundamental nas Marchas da Dignidade. Ou será exercicio de cinismo? Os ideólogos desta ensalada de despropósitos, debéranse ver no espello da coherencia Recordémoslles, xa que logo, como se inician e como se deseñan as Marchas. Interésanos facelo porque esta loita anticapitalista vai continuar e quizais haxa máis persoas e máis colectivos que teñan intención de se sumar á maré humana pola Dignidade. Primeiro houbo un acordo do sindicalismo alternativo a proposta do SAT, sindicato de clase ben breado na loita constante nese sur quente perante cotas de paro que se achegan ó 40% e onde se pretende recuperar a terra para quen a traballa. A CUT que, diante dunha situación de carestía global e do drama da emigración xuvenil galega, desenvolve comarcalmente e, así que pode, a nivel de país, a mobilización permanente dentro e fóra dos centros de traballodesde hai ben tempo, di rotundamente si no mes de setembro pasado a ese ambicioso proxecto unitario de mobilización para, paralelamente coa loita nacional, golpear eficazmente no corazón do réxime borbónico. Algún día, e cando haxa tempo escribiremos os pormenores, que non son segredos nin feitos clandestinos, de como se foron tecendo os fíos desta nobre xesta. Por certo, desde o primeiro momento que se confeccionaron as Marchas, quedounos claro a todo o mundo que había un punto moi nítido no noso decálogo que recolle sen medias tintas o dereito a decidir dos pobos do Estado. Falamos claramente do dereito á autodeterminación e á independencia nacional. Claro que na CUT asumimos o pecado. Desde o primeiro momento que se confeccionaron as Marchas, quedounos claro a todo o mundo que había un punto moi nítido no noso decálogo que recolle sen medias tintas o dereito a decidir dos pobos do Estado A seguir faise un chamamento e incorpóranse os movementos sociais. Pensemos neste punto nos desafiuzamentos que se levan a cabo a diario en todo o Estado e comprenderemos rapidamente por que a adhesión deste tipo de colectivos ás Marchas foi practicamente automática. Tamén a mocidade, o colectivo de xente estafada pola banca, o movemento cultural, o estudantado, o movemento feminista clasista (non o de Pedro Zerolo, claro), etc. Seguidamente dáselle paso ás organizacións políticas anticapitalistas que queiran tomar parte. En Galicia temos algúns exemplos pero, de detérmonos nos partidos que ocupan o arco parlamentario, comprobaremos que as formacións que se suman ás Marchas están recollidas nun sector determinado e reducido en comparación cos que non apoian. Tamén se suman outras organizacións minoritarias e non parlamentarias. Que ocorre, non hai máis formacións anticapitalistas no Hórreo? Formarán parte do sistema, logo. A iso nos referimos cando dicimos que a clase política está, as máis das veces, desligada da sociedade e que non ten os pés na terra. E das seitas endogámicas da suposta esquerda minoritaria xa é mellor nin falar. A clase política está, as máis das veces, desligada da sociedade e que non ten os pés na terra Eses foron os pasos e os acordos para as incorporacións. Por seu lado, as premisas das Marchas pola Dignidade recollen dunha maneira clara e sintética as graves problemáticas da sociedade na seguinte fórmula que dotou dun lema emblemático ó movemento: Pan, Traballo e Teito. De xeito paralelo, aténdense as demandas do non ó pago da débeda, o dereito das nacións a decidir sobre o seu futuro e todo o relativo ó proceso constituinte. Calquera persoa galega minimamente intelixente e sen mala intención saberá de sobra do que falamos e, se está polo labor da liberación social e polo dereito á libre determinación, sumarase sen problemas. Mais se, pola contra, se move só por intereses particulares ou parceiros, non o fará e dedicarase á nobre e innovadora arte do rexoube virtual ou a espallar a crítica telemática gratuíta alá por onde pise co teclado ou así que lle dean un micrófono e o enfoquen cunha cámara nun programa de televisión. A nosa proposta é que se sumen, se queren, porque xa abonda de fabricar guettos do referencialismo esencialista inoperantes predicando con ese soberanismo na retórica Con todo, abrímoslles a porta. A nosa proposta é que se sumen, se queren, porque xa abonda de fabricar guettos do referencialismo esencialista inoperantes predicando con ese soberanismo na retórica. Postos a cantar claro que deixen de empregar terminoloxía insulsa, difusa e de falar dun suxeito abstracto chamado "Galicia" que non se sabe ben o que é. Se queren entrar nese xogo que nos falen da República Socialista Galega como se veu defendendo sempre de maneira ininterrompida. Que falen e que prediquen co exemplo do pobo en movemento e das clases populares no goberno dunha Galicia independente e soberana articulando un escenario encamiñado á implantación do comunismo en Europa e máis no mundo. Pra levar a cabo o boicot ás estratexias frontepopulistas ou de unidade popular, como son as Marchas, cómpre ter máis man e deberían sabelo. Non só hai que ser puristas senón parecelo. E insistimos en que nas Marchas ten cabida todo o mundo pois a unión dos sectores populares, a acumulación de forzas cunha vontade abertamente inclusiva e plural son as únicas angueiras que nos moven. Non hai outra fórmula se queremos derrocar este sistema e acadar a igualdade social. No canto de esbardallaren tanto deberan dar conta nas redes sociais de que máis de 4000 persoas galegas estiveron en Madrid, a non ser que os hooligans do chat demostren o contrario. Moitas outras persoas, dun xeito xeneroso e altruísta, participaron desde o noso país con achegas económicas e de tipo loxístico. Aínda estamos a tempo de facer que medre máis o músculo da rebeldía en Galicia e desta volta non haberá reproches nin teremos en conta sequera os piropos. Todo o mundo, amais da xente que estamos, será benvido porque a loita contra o sistema é común. Simplemente cada quen ten que decidir en qué lado da barricada se quere situar: cos politicastros e a burguesía española ou co proletariado, o pobo que sofre e as nacións sen Estado. Aínda estamos a tempo de facer que medre máis o músculo da rebeldía en Galicia e desta volta non haberá reproches nin teremos en conta sequera os piropos É evidente que o óptimo resultado das Marchas foi froito da sinerxia que emerxeu da unidade. As persoas que somos independentistas, que cremos na nación e na loita de clases, seguiremos a ser internacionalistas. O sistema que teña claro que a militancia e as persoas que practicamos un sindicalismo nacional e de clase, continuaremos a traballar pola emancipación de Galicia e pola abolición das diferenzas sociais, algo que non se contradí, senón que se enriquece nesta pugna contra o réxime español, ó conxuntar esforzos coa clase traballadora das outras nacións do Estado, ou coas formacións que defenden outra perspectiva de país. E diremos o que non somos. Nós non somos acomplexados por pasar do Bierzo nin "dependentistas". Queremos a independencia nacional e queremos acabar co capitalismo. A cuestión é saber qué é o queren outros sectores denominados de esquerda nacional, ou de nacionalismo de esquerda (como se prefira, xa dixemos que os complexos son pra outros) cando se constatan determinadas actitudes pragmáticas máis propias da reacción que do progreso e do avance no plano social. Neste momento de emerxencia histórica, ou gañamos indo a polo poder burgués ou vai ser o propio capitalismo quen nos devore vindo a por nós. Ademais, o ciclo histórico vaise desenvolver neses parámetros dunha maneira irremediabelmente finalista. Non se contempla unha posibilidade intermedia porque xa non existe a alternativa social-demócrata. O artefacto da sociedade do benestar está a esvaecer e xa ficou sobradamente demostrado que non era máis ca unha falacia. E, nese escenario, as corporacións sindicais que son do sistema, evidentemente, non van cambiar xamais e han de morrer con el que é o que queremos nós.
NOS_37943
O PP votou en contra.
A mesa do Congreso dos Deputados deu esta terza feira luz verde á petición de Unidos Podemos e PSOE para que se cre na Cámara unha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois. A decisión adoptouse cos votos de ambos os dous grupos e Ciudadanos e malia o rexeitamento do PP. Segundo concretaron a fontes parlamentarias citadas por Europa Press, a decisión adoptouse tras a recepción dun informe dos servizos do Congreso que argumentaba que non había ningún inconveniente para que o órgano de goberno da Cámara volvese pronunciarse sobre un asunto que En Marea, xa expuxera ao comezo da lexislatura. Agora será a Xunta de Portavoces a que poña data ao debate en Pleno para a creación da comisión de investigación. Durante a etapa da maioría absoluta do PP, os 'populares' impediron que a discusión sobre a apertura dunha investigación sobre o sinistro que entón demandaba o Bloque Nacionalista Galego (BNG) chegase ao Pleno do Congreso. Unha negativa que volveron reiterar na lexislatura de foi de decembro de 2015 a xuño de 2016. Ao principio desta lexislatura, En Marea rexistrou de novo unha solicitude para crear unha comisión de investigación, pero non foi cualificada pola Mesa co argumento de que xa fora rexeitada meses antes. En Marea volveu pedir formalmente a apertura desa investigación despois de queo PSOE cambiase o seu posicionamento e presentase unha petición para crear esa comisión parlamentaria.
NOS_50783
A Consellaría de Traballo e Benestar Social saca a concurso unha nova campaña, desta volta de 600.000 euros, para animar á natalidade, o que suman máis de 1,5 millóns en menos de dous anos.
O día despois de Nadal, a Xunta de Galiza, a través da Consellaría de Traballo e Benestar Social, publica no DOG un novo concurso para adxudicar unha campaña publicitaria de animación á natalidade, neste caso, por un importe de 600.000 euros. A CIG- Autonómica, denuncia que, con esta nova campaña, son xa máis de 1,5 millóns de euros os que a Xunta ten destinado a publicidade para animar a parir desde que en abril de 2013 se aprobou o Plan de dinamización demográfica. Tres campañas en dous anos Desde entón e, en menos de dous anos, a Xunta executou un gasto superior a millón e medio en publicidade. Canal Uno de Comunicación foi a adxudicataria da campaña de 2013 con 508.132,94 € e Punto Norte levou a do 2014 de 263-563,72 € que se engaden a esta terceira que sae publicada este 26 de decembro no Diario Oficial de Galicia. Sumando o IVE correspondente, a cantidade total supera o 1,5 % en publicidade o que, segundo a CIG é unha "cantidade que puidera ter sido adicada directamente á dinamización demográfica mediante a potenciación dos servizos sociais públicos como, por exemplo, as garderías". "Existe unha desproporción evidente entre o que se gasta en publicidade e a inversión real que despois aparece detrás", denuncian desde a CIG-Autonómica.
PRAZA_5414
Nos vindeiros días a Asociación PuntoGal explicará cales son os pasos (e os prazos) que toda persoa, entidade ou empresa que queira contar cun dominio .gal deberá seguir. Estamos na liña de chegada dunha carreira de case unha década, "un éxito da sociedade galega", segundo os responsables da asociación.
Todo camiño, por longo que sexa, comeza cun pequeno paso. Galicia está ás portas de acadar un obxectivo polo que leva pelexando case unha década: contar cun dominio de seu, o .gal, un dominio de primeiro nivel para a lingua e a cultura galegas. Un éxito de toda a sociedade, como adoitan destacar dende a Asociación Puntogal, que terá beneficios inmediatos non só simbólicos senón tamén tanxibles. Un longo camiño que se completará nos vindeiros días e que comezou oficialmente un 10 de xuño de 2006 coa posta en marcha da Asociación Puntogal. Con todo, o obxectivo levaba sobre a mesa algún tempo máis, cando menos dende que o 16 de setembro de 2005 a ICAAN aprobaba o dominio .cat. Era a primeira vez que unha comunidade cultural e lingüística acadaba esta posibilidade para rexistrar as súas páxinas web. O esforzo catalán, asentado na potencia económica deste territorio, e nun masivo apoio social, demostrou que era posible, que o puntogal non era unha quimera. O propio director da Fundació Puntcat, Jordi Iparraguirre, destacaba hai dous anos entrevistado por Praza que o feito de que o .cat funcionara ben e non dera ningún problema abrira o camiño para outros dominios culturais: "mesmo a ICAAN comezou a falar ultimamente da necesidade de priorizar este tipo de dominios culturais, porque son pequenos e funcionan ben". O éxito catalán non chegara de súpeto. Foi o resultado, ao igual que agora o éxito do puntogal, de case unha década de traballo que comezara en 1996 coa creación da Associació en Defensa del Domini .ct. Finalmente, optouse por outra estratexia, a do dominio para comunidades culturais ou lingüísticas. En 2001 creouse a Associació puntCAT, que iniciou unha campaña de recollida de apoios entre a sociedade catalá, e tres anos máis tarde presentouse na ICAAN a candidatura oficial, co aval de 68 mil persoas, empresas e entidades, algo que nunca fixera ningunha outra candidatura. O éxito catalán non chegara de súpeto. Foi o resultado, ao igual que agora o éxito do puntogal, de case unha década de traballo A clave para acadar o obxectivo era reunir un gran consenso social e político ao seu redor. Era imprescindible contar co apoio de empresas, entidades culturais, das administracións (o 7 de febreiro de 2007 a Xunta comunicou o seu apoio oficial á candidatura) e da sociedade, que debía visibilizar que a reivindicación era masiva: o 3 de febreiro de 2009 Puntogal superaba as 10.000 sinaturas de apoio. Camilo Regueiro, vicepresidente da Asociación Puntogal, destacaba hai dous anos en Praza a actividade desenvolvida pola asociación neste senso: "Esforzámonos moito en facerlles ver a colectivos de todo tipo en Galicia que termos un dominio era moi importante para todos os sectores da sociedade galega, para a visibilidade de Galicia, para a lingua e a cultura, para as empresas, para o desenvolvemento das novas tecnoloxías. E era moi importante contar co apoio de toda a sociedade, que non houbese unha parte da sociedade que estivese en contra do proceso. A ICANN esixe que cando unha comunidade pide un dominio, esa petición teña o apoio completo desa comunidade. E iso conseguiuse: cóntase co apoio de todas as entidades do país, houbo un apoio total por parte do anterior goberno da Xunta e tamén do novo goberno da Xunta. A iniciativa conta tamén co apoio dos tres grupos políticos representados no parlamento". Tamén hai pouco máis dun mes, nunha intervención no Consello da Cultura Galega, o presidente da Asociación Puntogal, Manuel González, salientaba a especial preocupación que dende a entidade se tivera para que a reivindicación non se "politizase", ou que non fose identificada dese xeito por ninguén. O presidente da Asociación Puntogal, Manuel González, salientaba a especial preocupación que dende a entidade se tivera para que a reivindicación non se "politizase", ou que non fose identificada dese xeito por ninguén Con todo ese traballo previo feito, só quedaba agardar que a ICANN abrise a convocatoria para o estudo e aprobación de novos dominios. O 29 de maio de 2012 presentouse oficialmente a candidatura galega para contar cun dominio de primeiro nivel. O 15 de xuño de 2013, a ICANN informaba de que o dominio .gal superara positivamente o proceso de avaliación. Xa se vía o final do camiño, só faltaban uns poucos pasos, procedementos administrativos e técnicos, e agardar polos arelados e-mails da ICANN que ían confirmando a boa marcha do proceso e sinalaban os derradeiros requerimentos. Finalmente, o 11 de novembro de 2013 a ICANN asinaba o contrato de creación do dominio .gal. O pasado 12 de abril a asociación recibía a delegación do dominio. O .gal xa estaba aquí. Beneficios de todo tipo Despois de sete anos de actividade o puntcat suma máis de 65 mil dominios rexistrados, e en 2012 foi o segundo dominio que máis creceu en todo o mundo "O puntogal vai existir e vai funcionar ben" dicía hai case dous anos Jordi Iparraguirre, director da Fundació Puntcat. Dicíao, sobre todo, baseándose no éxito acadado polo dominio catalán. Despois de sete anos de actividade suma máis de 65 mil dominios rexistrados, e en 2012 foi o segundo dominio que máis creceu en todo o mundo. Un éxito cuantitativo que tamén ten a súa demostración cualitativa: por exemplo a elevada taxa de renovación dos dominios (do 80%, fronte ao 70% dos .com) ou a taxa de densidade de información (o número de documentos indexados por Google en relación co número de páxinas), que sitúa o .cat moi por riba de calquera outro dominio en canto á súa utilización real (só o .museum se achega un pouco). Hai unhas semanas Manuel González enumeraba algúns dos beneficios inmediatos que para a sociedade galega no seu conxunto tería o comezo do dominio .gal. Algúns de tipo simbólico ("A nosa autoestima", "Un dominio que nos identifique será un factor de cohesión, que incrementará o sentimento de pertenza a unha comunidade"), para a normalización lingüística ("na sociedade do século XXI unha lingua que non teña visibilidade na rede é unha anormalidade democrática. Ímonos sentir máis respectados e normalizados"), para o desenvolvemento da Internet galega ("vai facilitar o labor dos buscadores de contidos á hora de realizar procuras en galego ou sobre Galicia") e mesmo de retorno económico directo ("fundamental dende o punto de vista empresarial, para os produtores, cultivadores ou comercializadores de produtos nos que a identificación con Galicia supoña un plus de calidade"). E agora que? No primeiro período as administracións públicas e organismos vinculados a estas "terán prioridade para rexistrar os seus dominios" .gal Un acto público para oficializar a consecución do obxectivo será o punto de partida das dúas fases de lanzamento do dominio: Abrente (sunrise) e Carreira (landrush). No primeiro período as administracións públicas e organismos vinculados a estas "terán prioridade para rexistrar os seus dominios" .gal. A continuación será a quenda das "entidades que teñan unha traxectoria probada de promoción da lingua ou da cultura galega", das marcas rexistradas, dos "nomes ou intereses protexidos" e das páxinas escritas en galego ou con versión no idioma propio de Galicia. O período de Carreira, explican, "facilitará o acceso ao rexistro a rexistrantes sen dereitos ou intereses protexidos". Xusto antes do lanzamento a asociación promoverá o denominado Programa Pioneiros, co que "busca a promoción do novo dominio de primeiro nivel, facilitando a posta en funcionamento dunha serie limitada de dominios para entidades de certa relevancia lingüística, cultural e social". Nic.gal, o primeiro dominio puntogal
NOS_18969
A "insurrección" na sede do Parlamento dos EUA, tal e como a cualificou o presidente electo e xa ratificado Biden, xerou unha fenda no Partido Republicano. Algúns dos seus membros queren que Trump sexa inhabilitado antes de ceder o mando, co que ademais impedirían que se puidese presentar nas presidenciais de 2024.
"Como podo describir as miñas emocións ante esta catástrofe, ou como definir a desgraza que con dores e coidados infinitos me esforcei en crear?", preguntábase Victor Frankenstein na novela de Mary Shelley sobre o monstro ao que nunha "sombría noite de novembro" logrou por fin dar vida. Foi tamén un día de novembro que a cidadanía estadounidense deu vida cos seus votos a unha nova figura política. O 8 dese mes, en 2016, Donald Trump era elixido novo presidente do país malia perder o voto popular. Catro anos despois era derrotado nas urnas, de novo perdendo no voto popular, mais sumando 11 millóns máis de sufraxios que nos anteriores comicios: o pasado 3 de novembro, 74 millóns de cidadáns estadounidenses confiaron no magnate neoiorquino. Ese substancial apoio, sumado á de sobra coñecida personalidade del, déronlle cheda para non asumir a derrota, para inflamar nos últimos dous meses os seus seguidores facendo acusacións infundadas de fraude electoral desbotadas todas pola xustiza. Catro anos de retórica agresiva, catro anos de meter os cans na bouza, que culminaron nos violentos episodios da pasada cuarta feira: o edificio que alberga o parlamento bicameral estadounidense foi tomado polos seus seguidores, coa perda humana de catro vidas (unha ex militar, disparada no peito, e outras tres persoas por "emerxencias médicas", segundo Associated Press). Catro anos en que contou co apoio inquebrantábel do Partido Republicano ás súas boutades. Mais, como o doutor Victor Frankenstein, "incapaz de soportar o aspecto do ser que creara", con "pel amarelenta que apenas cubría o entramado de músculos e arterias que había debaixo", optou por fuxir. Tamén nas últimas horas, as condenas á toma do Capitolio ─e á responsabilidade de Trump na mesma─ foron continuas dentro das filas conservadoras. "Censuramos a violencia nos termos máis contundentes posíbeis", declarou o vicepresidente Mike Pence. "Os EUA non serán intimidados por matóns, catervas ou ameazas", afirmou o líder dos republicanos no Senado, Mitch McConnell. "Así é como se disputan os resultados electorais nunha república bananeira", sinalou o ex presidente George W. Bush. E de "vergoña nacional" cualificou o ataque o senador Lindsey Graham, un dos grandes aliados de Trump. Partido roto Tal e como analizaba hoxe nunha peza titulada "O día que Trump crebou o Partido Republicano" o medio estadounidense Politico, "literalmente custou unha revolta dos seguidores de Trump no Capitolio para que finalmente moitos republicanos confrontasen o presidente derrotado" e lle "desen as costas". Son senadores republicanos como Tom Cotton, que afirmou que "é hora de que o presidente acepte os resultados, deixe de confundir o pobo estadounidense e repudie a violencia da masa"; ou Roy Blunt, que sinalou que "foi un día tráxico e el [Trump] foi parte del"; ou Liz Cheney, que declarou en Fox News: "Non hai dúbida de que o presidente formou a multitude, o presidente incitou a multitude. Foi el que acendeu a chama". Co partido roto fica por saber cal será o futuro de Trump. O inmediato e o futuro. Aínda será presidente até a toma de posesión o 20 de xaneiro de Biden ─que na madrugada de onte en Washington foi finalmente ratificado polas dúas Cámaras tras os incidentes─, mais segundo informou CNN, un crecente número de líderes republicanos e oficiais do Goberno cren que debería haber un novo impeachment a Donald Trump nestas dúas semanas en que, ademais, desde outras instancias se teme que, como Nerón, marche deixando Roma ardendo. Polo momento, se cadra ventando a ameaza interna, pousou a arpa por un momento e mediante un comunicado oficial ─Twitter, onde falou con condescendencia dos asaltantes do Capitolio, bloqueoulle a conta tras os incidentes─ sinalou: "Aínda que estou en total desacordo co resultado das eleccións, e os feitos danme a razón, haberá porén unha transición ordenada o 20 de xaneiro". Neutralizar a Trump O impeachment ou xuízo político sería ademais un golpe a futuro, xa que de ser apartado do cargo desta maneira, Trump non se podería volver presentar a unhas eleccións. Porque ese é outro dos medos presentes a día de hoxe no Partido Republicano: que recunque en 2024. Segundo CBS News, valora anunciar a súa candidatura antes ou mesmo no propio día 20. Xa que logo, de non haber impeachment antes dese día, ficaría por saber se a candidatura de Trump ─cun abafante apoio popular─ chegará dentro ou fóra do Partido Republicano. Mais o que parece seguro é que chegará. Que Trump non marchará. "Entrégome, ben en vida ou en morte, á súa destrución", dicía Victor Frankenstein xurando acabar co monstro. Tamén o Partido Republicano semella querer acabar con Trump. Mais cómpre lembrar que ao final da novela de Mary Shelley, o doutor, na procura de vinganza contra o monstro, acaba morrendo de extenuación.
NOS_1468
Un traxe a medida. Iso é o que pactaron os grupos parlamentares galegos para contornar o veto do Goberno estatal á transferencia da AP9.
A próxima semana, o Pleno do Parlamento galego submeterá a debate e aprobará por unanimidade unha nova proposición de lei para conseguir a transferencia da AP9 á Administración galega. Así o acordaron os catro grupos parlamentares con representación no Pazo do Hórreo. Trátase de enviar a Madrid un texto que non sofra o veto da anterior proposición de lei sobre esta cuestión, varada na Mesa do Congreso polo bloqueo da Moncloa. A principal alegación do Goberno de Rajoy contra a proposición de lei orixinaria é que comportaba un incremento dos gastos no orzamento do Estado ao prever o resgate da infraestrutura. Para evitar que este argumento volte a ser esgrimido, a nova proposición non de lei inclúe unha disposición adicional para garantir que o cambio de titularidade non conleve ningún incremento dos créditos orzamentarios nen tampouco nengunha diminución dos ingresos. Aliás, retírase a cláusula da lei que urxía á realización da transferencia nun prazo máximo de 6 meses. As forzas políticas da oposición agardan agora que o PP non practique un dos seus deportes favoritos, votar na Galiza unha cousa e en Madrid a contraria, e, portanto, non veten no Congreso a nova proposición. O BNG -por boca de Ana Pontón- quixo facer patente que, embora non aparecer na nova lei, a formación frontista non renuncia á súa reivindicación da eliminación das peaxes.
NOS_52169
"Fun despedido, como o avó de Leonor", di nun tuit da súa conta de Twitter.
A polémica polo rótulo da nova sobre a marcha da infanta Leonor a Gales non ten gañas de acabar. A decisión de TVE de destituír os responsábeis dese cartaz informativo no fixo senón alargar a polémica. O catalán Bernat Barrachina, un dos xornalistas afectados polas destitucións decididas pola dirección da cadea pública española, tuiteou anunciando que "fun despedido como o avó de Leonor" e penduraba un vídeo de cando Juan Carlos I pediu perdón polo escándalo da caza de elefantes. O xornalista Bernat Barrachina, como informa Nació Digital, traballara como xefe de comunicación do Concello de Badalona durante o mandato do alcalde socialista Àlex Pastor. Foi despois desta etapa no mundo municipal cando comezou a traballar para a televisión pública estatal. Me han despedido, como al abuelo de Leonor pic.twitter.com/UxHgW9eUfV— Bernat Barrachina (@bernibarrachina) February 11, 2021 Esta cuarta feira, o programa 'La Hora de La 1' proxectou un rótulo no que se podía ler "Leonor marcha de España, como o seu avó" -en referencia á fuxida de Juan Carlos I acurralado polos escándalos da corrupción- para informar de que a princesa estudará en Gales.
NOS_42627
A maioría das crianzas da UE retoman nestes días a educación formal presencial nas escolas, aínda que nalgúns Estados o regreso ao colexio adiouse a setembro. Os riscos de contaxio e o distanciamento físico son retos que Escocia propón afrontar con medidas alternativas como o ensino máis alá de catro paredes.
O regreso ás aulas na UE, malia as dúbidas da comunidade docente e das familias, é inminente. Nos Países Baixos, por exemplo, retomouse nesta semana a actividade na educación primaria e especial. Nalgúns colexios o alumnado acode en días alternos, para reducir a capacidade á metade, e cada pupitre está protexido por un biombo de metacrilato. Tamén en Francia, de forma gradual, vólvese ás escolas nestes días. Fixérono na segunda feira o alumnado de primaria e o do derradeiro curso de infantil, con 15 menores como máximo por aula. E a partir da vindeira semana, por quendas, regresarán en Portugal as crianzas de 11 e 12 anos. En Alemaña as competencias en Educación son dos länder, que na súa maioría queren que antes do verán todas as crianzas vaian ao colexio polo menos un día á semana. De momento, ao igual que en Austria, comezou o regreso ás escolas nalgúns ciclos, como o último de primaria, xa no 4 de maio. Noutros Estados como Italia ou España ─que tamén ten as competencias transferidas, mais é o Goberno central quen está a tomar as decisións─, en principio contémplase a data do 1 de setembro como a máis probábel para a volta da actividade educativa. E no Reino Unido, que no domingo presentou a súa estratexia de desconfinamento en tres fases, prevese que os centros educativos abran o 1 de xuño para o alumnado de primaria. Unha data que desde o Goberno de Escocia consideran prematura. Modelo escocés "Non podo e non debo comentar se é axeitado para Inglaterra… mais sei que, vendo as evidencias con que conto, non podo pór a miña man no corazón e dicir que sería unha boa cousa para Escocia", sinalou a primeira ministra escocesa, Nicola Sturgeon. O Executivo escocés mantén, en xeral, unha postura máis conservadora que o de Boris Johnson sobre a saída da corentena. Ao igual que acontece cos länder alemáns ou coas rexións italianas, as home nations británicas están a ter maior autonomía neste proceso de desconfinamento. A respecto da educación, Sturgeon afirmou que, en calquera caso, a volta ás escolas requirirá da combinación de clases presenciais e ensino na casa, dando prioridade ao regreso do estudantado de secundaria. Na pasada semana fixo público un documento coas liñas a seguir, como a atención ás aulas en quendas alternas entre días ou semanas, así como a desinfección profunda das aulas entre grupos. Modelo innovador Ademais, a nivel local estanse a explorar outras opcións para que as nenas e os nenos poidan retomar a educación formal, como por exemplo o fomento do ensino ao aire libre para facer máis factíbel o distanciamento físico. Algo que vai na liña das políticas impulsadas a nivel nacional. A ministra escocesa da Infancia e da Xuventude, Maree Todd, vén defendendo desde que asumiu o cargo en 2017 a transición a un modelo onde prime este tipo de ensino, especialmente entre as crianzas máis novas. Un dos aspectos, este, que fai parte do Currículum para a Excelencia, unha anovada proposta de currículo escolar elaborada en conxunto con profesionais e comunidade educativa que "axude as nosas crianzas e xente nova a adquirir o coñecemento, as habilidades e as cualidades necesarias para a vida no século XXI". A educación en espazos abertos é xa unha realidade para as idades máis temperás. En declaracións a The Guardian, Todd dixo: "Hai un número crecente de gardarías total ou parcialmente ao aire libre en Escocia. Este modelo podería ter moitos beneficios para manter a distancia física e minimizar o risco de transmisión como parte da transición desde o confinamento ao regreso ás escolas de educación infantil e ás gardarías". Ademais, asegurou que "así como as gardarías especializadas na atención ao aire libre están preparadas para as necesidades das crianzas que pasan todo o día fóra, outros centros están a estudar como adaptarse para permitir que se estea máis tempo en xardíns e patios de recreo". Os especialistas que asesoran o Goberno non dubidan do impacto positivo da aprendizaxe en espazos abertos, aínda que, no entanto, salientan que require de preparación e experiencia e que non todos os centros escolares teñen as infraestruturas necesarias.
NOS_13025
Supón 50% máis que a anterior partida enviada por Bruxelas, de 343 millóns de euros.
No marco dos convenios de cooperación en política migratoria asinados por Marrocos e a Unión Europea, o país do norte de África recibirá máis de 500 millóns de euros para frear a "inmigración irregular". A UE non reclamará investigar a morte de 37 migrantes en Marrocos Trátase do paquete de axudas máis grande que recibe Marrocos desde que mantén estes acordos de colaboración con Bruxelas. En concreto, os 500 millóns de euros cubrirán o período comprendido entre 2021 e 2027, e supoñen 50% máis que a contía destinada pola UE a Marrocos no anterior convenio de cooperación, cando alcanzou os 343 millóns de euros. A Fiscalía négase a investigar as presións de Marrocos ao Goberno de Sánchez O anuncio desta axuda a Marrocos chega cando Bruxelas está a endurecer as súas políticas en materia de inmigración. Neste sentido, a Unión Europea aposta por reforzar a colaboración entre as axencias de intelixencia dos Estados membros e Marrocos, así como por aumentar os dispositivos policiais destinados a controlar os fluxos migratorios. Política migratoria de Marrocos O pasado 24 de xuño tivo lugar o último escándalo en materia migratoria por parte de Marrocos e o Estado español, cando axentes da policía marroquí asasinaron 37 persoas que intentaban cruzar o valado de Melilla para acceder a solo español. Primeiras vítimas após o acordo entre España e Marrocos: Ascenden a 37 os mortos ao tratar de saltar o valado de Melilla No masacre, que tamén deixou centos de persoas feridas de gravidade, obtivéronse varias imaxes e gravacións que deron mostra do trato lesivo dos corpos e forzas de seguridade de Marrocos coas persoas migrantes. Unha actuación policial que foi defendida polo presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, poucos días despois de ter sucedido. Les craintes soulevéeds s'avéraient réelles: ce matin, les autorités de Nador préparent 21 tombes au cimetière de sidi Salem pour enterrer des migrants morts le vendredi.Sans enquête sans autopsie sans identification, les autorités cherchent à cacher le désastreUn vrai scandale pic.twitter.com/wW3C1TMq68— AMDH Nador (@NadorAmdh) June 26, 2022 Aliás, o réxime de Mohamed VI tamén foi acusado de soterrar en fosas comúns, sen a realización de autopsia, as persoas asasinadas no intento do salto ao valado de Melilla. Marrocos, acusado de soterrar en fosas os cadáveres dos inmigrantes asasinados sen practicarlles autopsia A Asociación Marroquí de Dereitos Humanos (AMDH) compartiu nas súas redes sociais imaxes que confirmaban como as autoridades de Marrocos enviaran varios traballadores á cidade de Nador para cavar estas fosas comúns.
NOS_4710
Marrocos expulsou 84 representantes das Nacións Unidas e fechou a oficina militar da MINURSO. O Polisario mobiliza os seus efectivos.
Após a visita de Ban Ki-moon a comezos do mes de marzo e de que o secretario xeral das Nacións Unidas se referise á presenza marroquí no Sáhara Occidental como "ocupació", o rei Mohamed VI expulsou 84 persoas que formaban parte do persoal funcionario da ONU e fechou a oficina militar da MINURSO, a operación especial despregada no Sáhara, localizada en Dajla. Mohamed VI expulsou 84 persoas que formaban parte do persoal funcionario da ONU Segundo o mandatario marroquí a presenza e declaracións de Ban Ki-moon nos campamentos de persoas refuxiadas situados en territorio arxelino supuxo unha "ultraxe". Neste contexto, mesmo ameazou con expulsar os 2.300 cascos azuis que as Nacións Unidas ten despregados en África. A actitude de Marrocos foi respondida polo secretario xeral das Nacións Unidas solicitando ao Consello de Seguridade que renove o mandato da operación especial (MINURSO) perante a súa caducidade o vindeiro mes de abril. Porén, Francia e o Estado español aínda non se pronunciaron. Ambos os dous territorios manteñen estreitas relacións co rexime de Mohamed VI e, no caso español, continúa sen asumir a súa responsabilidade como potencia administradora do Sáhara. Francia e o Estado español non se pronunciaron para que o Consello de Seguridade renove a MINURSO Pola súa banda, o Frente Polisario recibiu a decisión de Marrocos a respeito da ONU como unha declaración de guerra. Neste senso, o presidente sahariano e líder do Polisario, Mohamed Abdelaziz, está a mobilizar a todos os seus efectivos, mesmo se difundiu un vídeo no que a organización sahariana amosa armamento militar. Marrocos mantén unha ocupación do Sáhara Occidental desde 1975. En 1991 e após unha resolución da Asemblea Xeral das Nacións Unidas foi constituída a operación MINURSO cuxo obxectivo é a elaboración dun censo co que desenvolver o referendo de autodeterminación.
PRAZA_4121
O proxecto educativo necesita recadar algo máis de 100 mil euros para levar a cabo a reforma do inmoble que adquiriu en Vidán, unha campaña de micromecenado na que colaboran activistas e profesorado dende diversos países e comunidades lingüísticas
A escola Semente de Compostela vén de iniciar unha campaña de micromecenado para a reforma dun inmoble que servirá no futuro para agrupar as tres escolas coas que conta nestes momento na cidade. A nova escola, que foi adquirida grazas a un empréstito concedido por Coop57, está situada en Moas de Abaixo (Vidán) e o proxecto educativo necesita agora recadar algo máis de 100 mil euros para levar a cabo a reforma deste espazo.O proxecto educativo necesita agora recadar algo máis de 100 mil euros para levar a cabo a reforma deste espazoO denominado Projeto Moas busca acadar nos vindeiros 40 días un mínimo de 90.000 euros e chegar se fose posible ata os 130.000 euros necesarios paras as obras proxectadas. A campaña, que xa recadou nunhas poucas horas algo máis de mil euros, ofrece unha serie de recompensas para as persoas que colaboren. Dende un sinxelo agradecemento público na páxina web da entidade a obradoiros de arrolos, de danza, de narración oral, de petiscos saudables ou de windsurf. E mesmo a posibilidade de contar con concertos exclusivos de Guadi Galego ou de recibir unha acuarela orixinal de Sechu Sende. Entidades e establecementos poden tamén converterse en "local colaborador" con achegas a partir de 200 euros.A nova escola permitirá reunir a todo o alumnado da Semente Compostela, que abrangue os niveis dos 2 aos 12 anos e que na actualidade está repartido en tres locaisA Casa das Moas ten unha superficie total de 600 metros cadrados repartidos en tres andares, cunha finca forestal de 3.500 metros cadrados. Esas dimensións farán posible reunir nese espazo a todo o alumnado da Semente Compostela, que abrangue os niveis dos 2 aos 12 anos, explican dende o proxecto educativo. Na actualidade, as crianzas da Semente están repartidas en tres locais: dous deles dirixidos a alumnado do ciclo de infantil e un ao de ensino primario. Activistas de distintas comunidades lingüísticas do mundo apoian tamén a campaña de micromecenado iniciada por Semente Compostela. Durante as vindeiras semanas publicaranse os vídeos gravados por estas persoas, nos que subliñan a importancia deste proxecto educativo e do traballo que vén realizando nos últimos anos.Activistas de distintas comunidades lingüísticas do mundo apoian tamén a campaña de micromecenado iniciada por Semente CompostelaEste luns xa se puido ver o vídeo protagonizado por Lill Tove Fredriksen, profesora da Universidade do Ártico, desde a Illa de Tromsø; Tove é activista na defensa da lingua sámi fronte ás políticas norueguesas. Este martes Eva Bertrana, da Escola Bressola-Perpiñán, enviou a sua mensaxe de apoio en catalá. Nos vindeiros días chegarán vídeos desde lugares e linguas como a Nación Cree de Wemindji (cree), Libia (amazigh), Bretaña (bretón), Araucania (mapuche), Cochabamba (quechua), Irlanda (gaélico), Quebec (francés), Gales (galés), Euskal Herria (euskera), Cabo Verde (caboverdiano), Paises Cataláns (catalán), ou Aragón (aragonés), entre outros.
NOS_25200
A campaña da gripe comezou na Galiza no marco dun chamamento xeneralizado a reforzar a vacinación tanto dos grupos de risco como do resto da poboación nun contexto de pandemia. O obxectivo, reducir as dúbidas fronte a Covid-19, protexer as persoas máis vulnerábeis de posíbeis complicacións e evitar a sobrecarga asistencial. A demanda superou as previsións das autoridades sanitarias e nalgúns puntos xa escasean as primeiras doses da inxección, as dirixidas aos grupos diana de menos de 65 anos.
O pasado 13 de outubro comezou na Galiza a campaña de vacinación contra a gripe, unha iniciativa que se repite cada ano co ánimo de chegar especialmente aos grupos diana fixados pola Consellaría de Sanidade. Mais nesta ocasión, nun contexto de pandemia, o chamamento foi máis enérxico e dirixiuse ao conxunto de poboación. A resposta da cidadanía non tardou en producirse. Moito antes de que os centros de saúde tivesen dispoñíbeis as súas axendas para comezar a programar as primeiras vacinacións, os teléfonos dos ambulatorios non deixaban de soar. As persoas asiduas da campaña e outras moitas que pensaban pór a inxección por primeira vez querían reservar xa a súa cita. A campaña da gripe acelérase: máis poboación vacinada en menos tempo. A campaña foi un éxito nos primeiros días. "A resposta da cidadanía foi moi positiva, con coberturas moi superiores ás logradas os mesmos días da campaña anterior", asegura a Nós Diario José Antonio Taboada, xefe do Servizo de Control de Enfermidades Transmisíbeis do Sergas. "En persoas de 65 anos ou máis temos rexistradas perto de 31% de vacinacións. Hai un ano, a estas alturas, anotábanse 6,21 puntos menos. E obsérvase con máis contundencia entre o persoal sanitario. A día 26 de outubro xa levamos 5.520 profesionais máis vacinados que en toda a campaña do ano pasado". Estas cifras, apunta Taboada, reflicten a importancia da vacinación, unha necesidade que por primeira vez calla en todos os grupos diana, tamén entre as embarazadas -500 máis que o ano pasado- e outros colectivos de risco. "Os datos son bos. E o que pretendemos é prolongalos até o remate da campaña", a finais de ano, asevera. Faltan vacinas Porén, despois de dúas semanas de vacinacións, centros de saúde de diferentes puntos do territorio denuncian o desabastecemento dun tipo concreto de vacina, a que se lles administra aos grupos de risco de menos de 65 anos. "É habitual que nun momento da campaña se produza unha rotura de stock", asegura Álvaro Carrera, voceiro da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria. "Mais desta volta chegou moi axiña". Primeiro, porque a demanda é moi alta. "A xente respondeu ao fomento da vacinación que impulsaron as autoridades neste contexto de pandemia" no que se busca mellorar o control da gripe fronte á Covid-19. "Mais tamén porque a cobertura da gripe que se está dando non se axusta cen por cento ás instrucións fixadas tanto polo Ministerio de Sanidade como a propia Consellaría", remarca Carrera. A demanda de vacina por parte de persoas sas limitou o volume de doses dispoñíbeis para as persoas de risco que deben recibila de forma prioritaria. Neste sentido, argumenta, o chamamento a protexerse fronte á gripe, dirixido fundamentalmente aos grupos de risco -maiores de 65, embarazadas, enfermos crónicos, inmudeprimidos-, estendeuse ao resto da poboación. "O colectivo de pediatras convidou a unha vacinación masiva das crianzas. E ese mesmo patrón repetiuse con persoas sas, para as que a vacina, en principio non está indicada", lembra Álvaro Carrera. Vacinas para as persoas sas Desde a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria recoñecen que este ano moitas persoas menores de 65 anos animáronse por primeira vez a solicitar a vacina "para completar a inmunidade de grupo". Segundo Jesús Sueiro, médico no centro de saúde Concepción Areal, un dos primeiros en acusar a carencia de vacinas e ter que adiar as citas das persoas afectadas, esta demanda asistida limitou o volume de doses dispoñíbeis para as persoas de risco que deben ser vacinadas de forma prioritaria, "pacientes transplantados, con cardiopatías, cunha enfermidade renal ou cunha inmunodeficiencia, que agora chegan á súa cita e non podemos vacinar". Até o momento, non houbo rotura de subministración nos almacéns centrais da Consellaría de Sanidade. As asociacións profesionais de medicina e enfermaría comunitaria sinalan a "falta de previsión" dos responsábeis de Sanidade que despois de animar a unha vacinación masiva contra a gripe non souberon dispor das doses suficientes para atender a demanda tan alta que se deu e que era de esperar, á vista da preocupación xeneralizada ante a evolución da Covid. Un problema de loxística Perante as acusacións dos profesionais da Atención Primaria, José Antonio Taboada defende que, "até o momento, non houbo rotura de subministración nos almacéns centrais da Consellaría de Sanidade. É máis, das vacinas que se lles administran ás persoas de 65 anos ou máis, acaídas ao seu sistema inmunitario, aínda temos 79.565 doses e das que se empregan en persoas menores de 65 anos, temos acumuladas 26.791 doses". Porén, recoñece problemas de abastecemento nalgúns centros debido a "múltiples factores, pero fundamentalmente de loxística". Haberá vacinas dispoñíbeis para as persoas que non son parte de grupos diana, pero deben esperar a atender a demanda prioritaria dos grupos de risco. "Estamos ante unha campaña que implica todo o sistema sanitario, público e privado, con máis de 900 puntos de vacinación. E os criterios de distribución están suxeitos a moitos pequenos fallos que poden conducir a que nun punto concreto se esgoten as vacinas", di Taboada. Esta situación, engade, pode verse agravada polo feito de que as estimacións de vacinas están suxeitas "á experiencia de anos anteriores" e porque este ano está acudindo máis xente a vacinarse, "mesmo persoas que non son parte de grupos diana e para as que previsibelmente haberá doses dispoñíbeis, xa que se pediron 200.000 máis que a última campaña", mantén José Antonio Taboada. Con todo, desde a Consellaría fan un chamamento á espera porque, primeiro, "hai que garantir a vacinación dos grupos de risco identificados". Así, a mensaxe para o groso da poboación sa menor de 65 anos é que terá tempo de sobra para inmunizarse contra a gripe antes do 31 de decembro, de forma que para cando chegue o pico, a mediados ou finais de xaneiro se ten o mesmo comportamento que outros anos, o conxunto da poboación xa contará cunha protección importante, "que empeza a adquirirse ao cabo de sete días e a facerse máis alta a partir dos 15". Ante esta nova recomendación, os centros de saúde apuran a reorganizar as súas axendas á espera dunha subministración que o Sergas confirma nos próximos días "en función das necesidades de cada un. "Nos primeiros días estiveron previstas tres entregas á semana. A partir de agora serán dúas, as terzas e sextas feiras", reafirma Taboada. Máis saturación Este desaxuste entre a demanda e a oferta dispoñíbel, sumado ás restricións que pesan sobre a presencialidade nos centros de saúde, aumentou a presión sobre a Atención Primaria. Desde a Asociación en Defensa da Sanidade Pública, José María Dios Diz denuncia numerosas molestias para as persoas e para o sistema asistencial que o Sergas tamén recoñece. Moitas solucións para a reforma da Atención Primaria non esixen cartos senón organización e coordinación. "Xa estabamos saturadas como consecuencia da vacinación, agora tamén o estamos como consecuencia de ter que chamar a xente para dicir que non hai doses para as persoas menores de 65, a costa dun enfado xeral por parte das persoas que deben facer fronte a 1.500 chamadas diarias. Aquí en Outes somos seis médicos e outras tantas enfermeiras, con só tres PSX -Persoal de Servizos Xerais-", afirma José María Dios, quen bota en falta solucións efectivas para reformar a Atención Primaria, como as que figuran nas conclusións do seu Consello Técnico. E moitas non esixen cartos senón organización e coordinación", que non hai, incide. Desde a CIG-Saúde súmanse ás criticas dos profesionais e cuestionan "a falta de previsión do Sergas". "Lanzaron unha campaña que pedía modificar o protocolo de vacinación previo á Covid-19, mais non o fixeron, e agora é o persoal quen debe dar a cara ante a falta de doses suficientes nos centros", sinala María Xosé Abuín. "Urxe reorganizar os servizos administrativos, pór máis persoal e liñas telefónicas", conclúe.
NOS_51922
Antonio Reigosa (Mondoñedo, 1958) é escritor e investigador da literatura galega de tradición oral. Foi o responsábel do grupo de literatura de tradición oral no último congreso da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG). Nesta conversa, debúllanos as claves desta literatura.
Cal é o estado actual da literatura de tradición oral? É complicado facer un diagnóstico porque a literatura oral vai asociada á situación da lingua, que non é precisamente boa: baixan os falantes, os lugares de transmisión da literatura de tradición oral perden poboación… Eu son optimista na medida en que a oralidade é fundamental para a comunicación e para a transmisión de cultura e coñecementos, pero son pesimista en canto a que o galego como principal lingua de comunicación desa cultura está nunha situación moi grave. No relatorio do congreso da AELG sobre literatura de tradición oral falou da posibilidade de convertérmonos nunha xeración muda. A que se refería? É unha metáfora. Trátase de explicar que nas culturas tradicionais o coñecemento e a literatura transmítense fundamentalmente pola vía oral, pero se as posibilidades de comunicación oral (como o espazo familiar ou nos que a rapazada se xuntaba a xogar) desaparecen ou non se practican provócase unha fenda de comunicación oral na cadea. Correríase entón o risco de perder a transmisión de coñecementos e cultura e, polo tanto, converteriámonos en mudos e non habería posibilidades de superalo. Se hai unha ou varias xeracións mudas, que non transmiten, o herdado é irrecuperábel. Como lle afecta a internet á literatura de tradición oral? Internet é unha boa oportunidade para a oralidade pola súa función documental. Normalmente, aprendemos por imitación, algo que nos permite o feito de colgar vídeos. Ademais, permite a interacción entre persoas que se atopan en distintas partes do mundo. "Habería que darlle máis espazo e tempo á expresión oral no ensino" Cales son os retos da literatura de tradición oral? Que o ensino recupere a oralidade como sistema de comunicación, é dicir, que se lle dea moito máis espazo e tempo á expresión oral, porque propiciará que haxa un emprego da capacidade do discurso. Non se trata tanto de recuperar, porque nunha parte do patrimonio oral é irrecuperábel e desaparece coas persoas. Trátase de poñer en valor e de prestixiar a quen é capaz de ensinar a técnica dun oficio ou que sabe contar unha historia ben contada. Tamén sería un xeito de prestixiar o patrimonio. Referíase vostede ao ensino, como se atopa a literatura de tradición oral no ámbito escolar? Apenas forma parte do currículum, polo que depende máis do voluntarismo de profesores, que si traballan tendo en conta a literatura oral e que tratan de chamar a atención do alumnado sobre parte de patrimonio con referencias toponímicas, contos, lendas urbanas… pero non hai ningún temario en ningún dos cursos do ensino obrigatorio que trate a literatura oral con certa profundidade. Ademais, á formación do profesorado tampouco se lle dá moita importancia (dáselle á escrita, pero non á oral). Que precisa esta literatura? Non hai receitas máxicas. É importante programar actividades culturais na que a protagonista sexa a oralidade e na que o ingrediente básico e a estrela sexa o que se transmite. A AELG organiza o próximo sábado as xornadas de literatura de tradición oral. Que nos pode adiantar ao respecto? Trátase xa da oitava edición e nesta ocasión vaise falar do sexo e da obscenidade, que polos prexuízos e tabús son aspectos que apenas se difunden. Hai que facer visíbel que moitos chegamos ao mundo do coñecemento do sexo a través de historias que os maiores nos contaban. Acontece o mesmo co escatolóxico, que todos oímos pero que queda nun espazo de bar, de "colegueo" ou de infancia. Que salienta das conclusións ás que chegaron no Congreso da AELG sobre literatura de tradición oral? En primeiro lugar, chamar a atención da RAG para que pense nun Día das Letras Galegas dedicado á literatura de tradición oral. Sempre son protagonistas autores con obra impresa. Unha das principais características da literatura oral é o anonimato, polo que a protagonista do Día das Letras sería a temática. Tamén temos personaxes que no campo da investigación foron referentes, ou obras como Contos populares da provincia de Lugo ou os Contos vianeses, de Laureano Prieto. As fórmulas poderían ser varias. Á marxe disto, acordamos promover recreacións nas que a oralidade sexa fundamental: teatro, revistas orais, encontros temáticos…
PRAZA_5363
O FMI trabucouse nas súas predicións pero as súas receitas son as que teñen máis posibilidades de seren aplicadas por ser quen ten os cartos. O Fondo celebra esta semana a súa asemblea anual, na que emite informes que condicionan o debate económico o resto do semestre.
O FMI mellora a súa previsión de España, pero ve mal o paro, cre que hai perigo de deflación e insta a que se dean máis créditos. A grandes liñas este é o resumo da fotografía que o Fondo Monetario Internacional (FMI) fixo na asemblea anual de primavera que reúne en Washinton a decenas de banqueiros e políticos para debater sobre a saúde da economía mundial. Os prognósticos e consellos do FMI acaparan portadas e titulares. E moitos cidadáns cuéstionanse: por que lles seguimos facendo caso se fallaron en predicir a crise e as súas receitas asfixian a moitos países? A pregunta é pertinente. Nos primeiros anos de crise financeira -2009, 2010 e 2011- o Fondo Monetario Internacional foi un dos organismos de predición económica que máis fallou nos seus prognósticos sobre España, segundo os rexistros da Diana Esade. Eses lodos creáronse coa falta de tino por parte do organismo internacional primeiro, á hora de predicir a crise financeira e, segundo, por ocultar que o sistema bancario español non era tan bo como aseguraba o Goberno español. Por suposto non foi o FMI o único organismo que errou ao predicir a crise. Hai que sumarlles as axencias de ráting, os servizos de estudos dos gobernos e moitos analistas privados. Pero poucos se sacudiron a nivel mediático tan rápido a sombra do desatino como o organismo internacional, que segue sendo invocado por uns e outros. É realmente tan importante o que di o FMI? As predicións do Fondo son "academicamente irrelevantes" En opinión de Ignacio Conde Ruiz, investigador de Fedea, as predicións do Fondo son "academicamente irrelevantes". Para unha institución como a súa que se dedica máis á análise económica que á conxuntura, as predicións a curto prazo terminan sendo todas moi similares e a medio prazo a maioría fallan. "Predicir non é a misión da ciencia económica", asegura Conde Ruiz. Con todo, recoñece o valor da súa base de datos e dalgunhas das súas investigacións pero lembra que adoitan ser os analistas do propio Fondo os que preguntan aos académicos locais para sacar as súas conclusións. Como se fan os informes O certo é que para construír os seus informes de cada país as misións do FMI, compostas polos coñecidos como homes de negro, visitan cada un dos 188 países membros e entrevístanse con personalidades locais relevantes. Aínda que en teoría os encontros son secretos, no mundo sábese perfectamente con quen se entrevistan os burócratas de Washington. Economistas independentes, profesores de escolas de negocios, think tanks, representantes sindicais (ou os propios Ignacio Fernández Toxo ou Cándido Méndez se cadran as axendas), a oficina económica de Moncloa e a CEOE. E por suposto onde máis tempo pasan é no ministerio de Economía, en Facenda e no Banco de España. Para construír os seus informes de cada país as misións do FMI, compostas polos coñecidos como homes de negro, visitan cada un dos 188 países membros As opinións e predicións para cada país fanse unha vez solicitados os datos sobre o terreo. Por iso é polo que é máis probable que acerte un servizo de estudos local, que cambia con máis rapidez as súas predicións, que o Fondo que realiza unha visita unha vez ao ano (nun país normal que non estea nun programa de rescate), pero fai até catro actualizacións sobre a evolución das economías. O valor engadido que achega o FMI é pór en contraste os datos de todos os países membros e formar así unha foto moito máis ampla e contextualizada do avance dunha economía. Santiago Carbó, catedrático de Economía da Bangor University (Reino Unido) e investigador de Funcas, cre que o importante é quedar "coa tendencia". Isto é, se o Fondo ve en termos xerais a economía mellor ou ou peor. "O FMI tívose que ver obrigado nos últimos anos a facer profundas revisións das súas proxeccións en prazos moi curtos de tempo", lembra Carbó. "Os economistas tomámonos as estimacións con seriedade pero tamén con relativismo", engade. Alberto Montero, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Málaga, concorda con que escoitar a música que emite a institución ten a súa importancia. As predicións "supoñen un sinal sobre as tendencias previsibles: creo que non se poden tomar en consideración as súas predicións en cifras concretas pero si que emiten unha especie de sinais que en momentos non especialmente convulsos, aínda que non por iso menos complicados, son de utilidade para a análise", apoia este experto. Respecto das equivocacións en anticipar a crise, Montero ve que se volveron "máis conservadores e realistas nas súas predicións" e algo máis "razoables" nas recomendacións que emiten, como parte da troika, que as súas contrapartes: a Comisión Europea e o Banco Central Europeo. Para Joaquín Maudos, profesor do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas e moi especializado no sector bancario, o organismo si ten unha palabra moi relevante en materia bancaria. "O FMI fixo acertadas análises do sector bancario. En España foi o que detectou insuficiencias de capital co stress test que fixo en 2012 e cuxos resultados anticipou en marzo de 2012. O seu exame obrigou a facer necesarios cambios na reforma financeira en España", asegura este catedrático que recoñece que si utiliza datos do organismo para motivar as súas propias análises Recomendacións, con pinzas Pero o Fondo non fai só prognósticos, tamén fai recomendacións. Con insistencia, por exemplo, esixen que España faga unha desvalorización fiscal (que suba o IVE e baixe as cotizacións sociais) ou que mellore o sector servizos. Carbó discrepa co tino dalgunhas recomendacións: "É especialmente importante a de seguir contendo débeda e déficit, sen espazo para a compracencia. Noutros aspectos, non estaría eu tan de acordo coas observacións, por exemplo, no que se refire a concentración bancaria xa que está demostrado que máis concentración non implica necesariamente menos competencia", matiza en referencia ás sospeitas que levantou o Fondo sobre formación de oligopolios bancarios como resultado dos programas de rescate. O que di o FMI é importante, basicamente, porque un puñado de países, varios en Europa, terano que aplicar tarde ou cedo se queren seguir recibindo a axuda financeira No caso de Montero, que se considera nas "antípodas" das recomendacións do Fondo, cre que o problema é que a institución non considera "variables políticas e institucionais" nas súas análises cando estas terminaron sendo determinantes para as recentes crises europeas. "As súas análises son moi febles desde o punto de vista da economía política", resolve. O certo é que en épocas de bonanza, as recomendacións do FMI caían en saco roto con relativa alegría e pouco debate. A subida do IVE ou a reforma das pensións, por exemplo, eran recorrentes nos informes do Fondo anteriores á crise. Pero a súa figura de prestamista de última instancia ampliou o seu papel. O que di o FMI é importante, basicamente, porque un puñado de países, varios en Europa, terano que aplicar tarde ou cedo se queren seguir recibindo a axuda financeira. Un lugar para o lobby financeiro Destas recomendacións, e dos perigos que ve o Fondo, é do que discutirán basicamente durante a fin de semana os ministros de Economía que aterrarán o xoves e o venres en Washington. A pesar de que a semana grande da institución empeza o martes coa publicación das predicións, non é até o fin de semana cando os líderes políticos se xuntan e discuten dos asuntos candentes sobre a mesa. A publicación das predicións é puro quecemento estatístico, para encadrar o debate. Por unha banda, está o plenario, no que non todos os países falan, xa que están agrupados, e é o representante de quenda o que defende a postura dos seus representados. O debate neste caso é máis organizativo, sobre cotas que pagan os membros, representatividade, peso, achega de fondos, gasto, e unha folla de sesións que se parece basicamente á dunha comunidade de veciños. Tamén saen temas recorrentes como as reivindicacións históricas de Arxentina co FMI. Ao redor da Asemblea xorden múltiples foros para discutir de forma bilateral, trilateral, multilateral e sobre todo, secreta Pero ao redor da Asemblea xorden múltiples foros para discutir de forma bilateral, trilateral, multilateral e sobre todo, secreta. Os ministros de Economía vense cos seus homólogos e achegan posturas e acordos. Por mor da crise de 2008 un dos foros que se realizan de forma estable é o dos países do G-20, con invitación especial para España. Tamén se cita o G-8, o G-24 e practicamente calquera asociación económica que aproveita o seu desprazamento a Washington para atoparse. Pero onde se bate o cobre é nas numerosas ceas que se realizan estes días nas que os se afianzan multitude de relacións. A estas ceas incorpóranse os principais banqueiros, que aproveitan a reunión para celebrar a súa tamén en Washington mediante o Institute of Internacional Finance (IIF), a patronal internacional de banqueiros, da que Francisco González (BBVA) é un dos seus directivos. O IFF patrocina seminarios dentro da Asemblea pero tamén todo tipo de encontros bilaterais cos líderes económicos mundiais. Aínda que o espazo está principalmente ocupado polo lobby bancario -á fin e ao cabo o FMI é un prestamista-, tamén as ONG organizan seminarios e charlas que nalgúns casos teñen un relativo éxito. Joseph Stiglitz, por exemplo, é un clásico deste tipo de reunións que sempre aparece convidado por algunha organización sen ánimo de lucro.
NOS_45507
Decidirán se continúan ou non pertencendo ao Imperio británico. Arxentina --que pon en dúbida a lexitimidade da consulta argüíndo que esta responde a unha estratexia británica-- reclama a soberanía deste arquipélago desde 1833 porén, todo apunta a que a cidadanía se inclinará pola súa continuidade como territorio británico. Así as cousas, a maior parte da poboación de ambos os dous países en conflito descoñece mesmo a convocatoria desta consulta popular.
Kelpers ou Falklands? Con estes dous nomes son coñecid@s dunha banda @s habitantes das Malvinas na Arxentina e, doutra, o propio arquipélago en lingua inglesa. Máis dun milleiro de habitantes están chamad@s ás urnas nesta antiga colonia británica para decidiren se continúan, ou non, tomando parte dos territorios que compoñen o Reino Unido. Unha consulta popular determinará o futuro político das Malvinas, cuxo resultado se dará a coñecer na madrugada da segunda feira. Esta é a primeira ocasión en que a cidadanía insular se pronunciará a respecto da súa permanencia ou non no Reino Unido. Para tal fin responderán a unha sinxela pregunta: "Quere que as illas Falklands manteñan o seu status político actual como territorio do Reino Unido de ultramar?". O goberno británico apoiou a consulta --non así o arxentino-- que asegura, o executivo malvinense emprega o plebiscito como estratexia política para se negaren a negociar con Bos Aires. As bandeiras británicas que penduraban das institucións e moradas do arquipélago após a convocatoria da consulta, apuntan cara á unha inminente vitoria do 'si' co que as Malvinas apostarían pola súa permanencia entre os territorios británicos de ultramar. Esta previsión motivou o apoio británico e o propio proceso electoral. Inglaterra amósase favorábel ás consultas soberanistas, sobre todo cando o resultado lle favoreceCon este, suman dous os referendos soberanistas apoiados polo Reino Unido. Xunto ás Malvinas, o primeiro ministro británico acordou co SNP (Partido Nacionalista Escocés, nas súas diglas en inglés) a convocatoria dun plebiscito en 2014 en que se decidirá a independencia, ou non, da até o de agora illa británica. Ao contrario do que acontece no Estado español --cuxo goberno vén de presentar un recurso perante o TC para impugnar a Declaración de soberanía aprobada polo Parlament catalán, Londres amósase máis transixente a respeito do debate territorial entre as nacións que demandan recoñecemento dun outro status xurídico e político. No entanto, o seu goberno confía en que os resultados electorais sexan favorábeis ao mantemento da integridade territorial británica.
NOS_48872
Serán presentados na cuarta feira en Santiago de Compostela por Goretti Sanmartín.
A área de Cultura da Deputación da Coruña presentará esta cuarta feira os Premios "Begoña Caamaño" e "Fran Pérez, Narf", convocados pola área de Cultura da Deputación da Coruña en homenaxe á escritora e ao músico. No acto, que terá lugar no hotel compostelán Costa Vella, participará a vicepresidenta e deputada da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei, e tres persoas relacionadas coa escritora e co músico. O galardón que leva o nome de Begoña Caamaño recoñecerá a mellor iniciativa cultural pola igualdade de xénero e o que se denomina Fran Pérez "Narf" será un concurso para grupos e artistas musicais. O galardón Begoña Caamaño recoñecerá a mellor iniciativa cultural pola igualdade de xénero e o que se denomina Fran Pérez "Narf" será un concurso para grupos e artistas musicais. Begoña Caamaño (Vigo, 1964 - Compostela 2014) foi unha xornalista e escritora, alén de figura destacada do feminismo galego. Publicou as novelas 'Circe ou o pracer do azul' (2009) e 'Morgana en Esmelle' (2012), ambas as dúas en Galaxia, e acadou os premios Ánxel Casal 2012 ao mellor libro de ficción; o da AELG á mellor obra narrativa do mesmo ano, xunto co Premio da Crítica de narrativa galega, e o Losada Diéguez de creación literaria en 2013. Fran Pérez, Narf, (Silleda, 1968 - Compostela 2016) foi un compositor e cantante que formou parte de bandas como Os Quinindiolas, Nicho Varullo ou a Psicofónica de Conxo, até que comezou a súa carreira en solitario adoptando o nome artístico de Narf. Ten publicado tres discos en solitario: 'Directo en Compostela' (2004), 'Tótem' (2007) e 'Nas tardes escuras' (2013), alén doutros tres con outros artistas, como Jabier Muguruza e Miquel Gil ('Mundo café', 2005); Manecas Costa ('Aló irmao!', 2010); ou Uxía ('Baladas da Galiza Imaxinaria', 2015).
NOS_55844
Após reunírense coa Xunta, varios colectivos en defensa da poboación inmigrante consideran "intolerábel" a instrución interna que só adía en seis meses a aplicación do decreto contra a asistencia sanitaria universal. Entrementres unhas 50 persoas ocupan as instalacións dun ambulatorio en Compostela para protestaren contra o "oportunismo electoral" de Feijóo
A Instrución que a consellaría de Sanidade emitiu a finais da semana pasada, e que foi aplaudida desde os medios de comunicación como un sinal de "rebeldía" do goberno galego contra o RD 16/2012 ditado desde Madrid, non é senón unha medida electoralista que pon data de caducidade á sanidade universal: seis meses. Así o denunciaron esta segunda feira os colectivos Foro galego de inmigración, SOS sanidade pública, Médicos do mundo e Asociación galega de medicina familiar, na rolda de prensa en que valoraron a reunión que mantiveron coa titular de Sanidade, Rocío Mosquera, na sexta feira. Pola súa banda, ao redor de 50 persoas secundaron á primeira hora desta mañá a chamada do sindicato CUT para ocuparen as instalacións do centro médico Concepción Arenal, en Compostela. Nun comunicado, a central chama á desobediencia civil "cando o racismo e a xenofobia son un feito". Unha exclusión "intolerábel"Así as cousas, ás portas do devandito ambulatorio compareceron representantes de todas as organizacións antes citadas para reiteraren máis unha vez o rexeitamento á normativa estatal, que impide o acceso á tarxeta sanitaria ás persoas inmigrantes en situación de irregularidade administrativa. Respecto da xuntanza con Mosquera, consideran "intolerábel" a exclusión de persoas en función de se reúnen ou non determinados criterios de empadroamento, e piden que se acepten como xustificación da residencia na Galiza fórmulas diferentes do padrón municipal. Lembran estes colectivos a dificultade de figurar en tal padrón que teñen @s inmigrantes irregulares e engaden que no país viven xa persoas sen dereito a cartón sanitario. Para alén da moratoria de seis meses sobre a aplicación do RD 16/2012, deixando pasar as eleccións do 21 de outubro, a Instrución emitida polo departamento que dirixe Rocío Mosquera contempla a posta en funcionamento dun cartón especial para persoas sen permiso de residencia na Galiza que leven seis meses empadroadas, para alén de acreditaren que carecen de recursos. Sobre este programa de atención alternativo "presentado de maneira electoralista e concreción práctica", Foro galego de inmigración e o resto de colectivos que fixeron parte da reunión coa conselleira, exixen a eliminación de calquera criterio "discriminatorio", como o empadroamento; unha prestación de servizos sanitarios "completa e idéntica" á do resto da cidadanía; alén de que a atención sanitaria "en condicións de igualdade" se espalle tamén para todas aquelas persoas que se establezan na Galiza após o 1 de setembro para rachar así co que consideran "un claro caso de xenofobia institucional disfrazada de crise". Okupar contra o 'apartheid sanitario' e pola desobediencia como dereitoNa mesma liña pronunciáronse desde a CUT no comunicado feito público tras a ocupación do centro médico Concepción Arenal. Acusan desde a central sindical o goberno de Feijóo de se aproveitaren da "exclusión xenófoba" do colectivo inmigrante do dereito á sanidade pública para tiraren cara a adiante cunha medida --a Instrución xa mencionada-- que definen como "oportunismo electoral, insuficiente e discrecional". Unha palestra da cal, baixo o leva Apartheid sanitario e políticas migratorias, farán parte persoas do Foro de inmigración, o colectivo Cambalache e Médicos do mundo; proxeccións, reparto de material informativo e unha asemblea con profesionais da medicina son algunhas das actividades que ocuparán o tempo d@s alí fechad@s até as oito do serán, hora para a que está convocada unha concentración diante do ambulatorio, anunciada baixo o lema Racismo é un feito, insubmisión un dereito. A Instrución, da cal pouco se sabe pois o goberno galego non fixo aínda oficial o seu contido, non supón máis que "un matiz" ao decreto estatal que oculta entre as súas liñas "a verdadeira sintonía" da Xunta do PP coa achega de "segregación racial e económica" na sanidade pública que instaurou Mariano Rajoy. Quéixanse desde o sindicato de que nada se aclara no documento interno da consellaría ao redor da situación d@s inmigrantes que fiquen sen se empadroaren ou que cheguen ao noso país após o 1 de setembro. E é que o estabelecemento do IPREM --Indicador público da renda de efectos múltiples-- como teito económico para a cobertura gratuíta traducirase en que calquera persoa cuns ingresos anuais que igualen ou superen os 6.390,13€ terán que pagar un seguro médico de entre 710 e 1.864€. O IPREM sitúase moi por debaixo do umbral da pobreza, segundo o Instituto galego de estatística.
NOS_22583
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, avoga por que Galiza xestione "a totalidade" dos fondos europeos de reconstrución "e non só 50%", tal e como anunciou o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez.
Para Miranda, a decisión supón un "grave problema de centralización" do reparto dos máis de 140.000 millóns de euros que lle corresponden ao Estado español, dos que 72.000 millóns correspóndense coas transferencias directas. "Por que Galiza non pode xestionar a totalidade dos fondos que lle corresponden? Con só a xestión de 50%, perde boa parte da capacidade na toma de decisións sobre como impulsar a saída da crise", considera a portavoz nacionalista, quen reitera que "Galiza debe ter voz propia na negociación e na xestión dos fondos europeos para non quedar atrás na súa repartición", unha voz que, ao seu xuízo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo "non está a defender" Ademais, o BNG en Europa teme que sexan as empresas do IBEX as que se beneficien maioritariamente dos fondos europeos fronte ás pequenas e medianas empresas, que son as que conforman boa parte do tecido económico galego. Doutra banda, Miranda criticou "a falta de transparencia e o escurantismo" do Goberno galego na "suposta selección de proxectos que poidan optar aos fondos europeos". "A Xunta fala de 108 proxectos que poden mobilizar 9.400 millóns como candidatos aos fondos Next Generation, mais non sabemos en función de que criterios foron seleccionados nin se quedaron proxectos fóra", manifestou a portavoz nacionalista.
PRAZA_11381
Nunca pensei que ía botar en falta a Mariano Rajoy, pero si son sincero e vendo o que está acontecendo podo dicir que ogallá seguise Rajoy ao fronte da dereita española e españolista.
Nunca pensei que ía botar en falta a Mariano Rajoy, pero si son sincero e vendo o que está acontecendo podo dicir que ogallá seguise Rajoy ao fronte da dereita española e españolista. Lembro moi ben o día en que Aitor Esteban, tres días despois da moción de censura na Coruña, mo comentaba, "se va notar la falta de Rajoy moderando a la derecha". Rajoy coñece a realidade territorial e moderaba aos seus.Un resentido Aznar, Rajoy pronto se separou da súa influenza, acaba de ganar comodamente ascendencia de novo na política do Estado, hoxe máis perigoso na súa postura centralista precisamente porque está movendo fíos nun grupo de novos políticos que o único que buscan, nunha escalada de testosterona, é agradar a visión de España do líder Aznar. Non escapa a ninguén que tras Vox está José María dende os inicios, Abascal foi un mantido do réxime Aguirre en Madrid, e Casado non esconde a súa afinidade ao de Valladolid, un parámetro que faltaba era a influenza en C´s pero esa é fácil, a golpe de demoscopia, quizais nesa manobra esta a resposta do abandono nos laranxas de tanto referente. A vinganza de Aznar sobre Rajoy está en marcha e ímola pagar todos, coa perda de dereitos e liberdades. Porque Rajoy era un demócrata e Aznar non, así de sinxelo.A Asemblea de Madrid co voto de PP, C´s e VOX acaba de aprobar unha resolución "Ilegalizar partidos separatistas que atenten contra a unidade de España" comeza a aflorar o fascismo. O nacionalismo e separatismo é unha opción política recoñecida e amparada pola legalidade internacional e tamén en Europa. Precisamente dende Europa ten que vir unha contestación forte e firme a esta resolución, non me imaxino a opinión sobre España de por exemplo: Partido Nacionalista Escocés, os 9 partidos independentistas de Italia, o Sinn Fein, o Bloque Flamenco, Movemento Nacional de Liberación de Guinea Ecuatorial, Movemento de Liberación de Bioko, Bloque Québécois, o Partido dos Traballadores do Kurdistán, o Congreso Nacional Tibetano, Partido independentista Portorriqueño e un longo etc. Moitos de estes partidos hoxe gobernan os seus territorios e teñen o recoñecemento internacional de loita polos dereitos humanos e a democracia. Que opinaran no mundo de esta triste e gris resolución política dun goberno, por certo autonómico, que se nutre de sangrar as economías periféricas? Coidan que así suman xente a sentirse españois? A resposta á definición territorial do Estado non pode ser a negación do debate, aquelas opcións políticas que buscan unha relación nova no Estado son tan lexitimas como as que queren volver ao século XIX, mais esta últimas que se dean conta de que unha enorme parte da soberanía das Nacións hoxe exércea Europa. Toca votar nas urnas para que a liberdade non se resinta, toca votar por opcións democráticas e fortes, para min despois de esta resolución C´s, PP van no mesmo taxi que VOX e o condutor é Aznar, que so busca que sexamos un exercito de clones ao servizo dun estado único sen máis nación que unha soa.
PRAZA_6372
As empresas editoras agardan que no curso 2014/2015 os prezos dos manuais escolares suban un 0,8%. A Consellería de Educación négase a retornar ao modelo de préstamo, como recomenda a Defensora del Pueblo, pero insta a "estender" os bancos de libros das ANPAS, creados para paliar os recortes.
O novo curso escolar está a piques de comezar e, con el, as familias terán que facerlle fronte á compra de libros de texto, toda vez que o sistema de axudas parciais da Consellería de Educación deixa fóra arredor do 30% de alumnado e, ademais, nas familias ás que si chega adoita non cubrir o custo total dos manuais. Neste contexto, as estimacións que realizan as empresas editoras dos libros escolares no Estado, agrupadas na asociación ANELE, indican que o seu prezo incrementará levemente a respecto do curso pasado, mesmo nun contexto no que o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) está a baixar. Neste contexto, a Xunta apela á "solidariedade" das familias para paliar a situación, pero sen valorar, en ningún caso, a volta ao sistema de préstamo. Os cálculos de ANELE indican que no curso 2014/2015 os manuais escolares subirán un 0,8%, mentres que os prezos xerais están a descender un 0,5%, segundo o dato máis recente do INE. Aínda que a propia organización empresarial advirte de que os prezos finais poden rebaixar as súas estimacións de suba -xa aconteceu o ano pasado-, sinala tamén que "a evolución negativa" do mercado dos manuais escolares nos últimso anos favorece o encarecemento. A causa, din, é "a notable redución da venda de exemplares e da compra por parte dos alumnos, o que ten unha inmediata repercusión na redución das tiraxes e, conseguintemente, no custo por exemplar, ao ter que repercutir os custos fixos en bastantes menos exemplares". As empresas editoras achacan a suba de prezos á caida nas vendas, que cifran nun 25% no conxunto do Estado Así as cousas, admiten, "por máis que os prezos das materias primas e dos procesos de fabricación non se incrementen, si o fai o custo por exemplar de libro impreso e vendido". En apenas media década, sinalan, a venda de exemplares caeu máis dun 25% en todo o Estado, en boa medida porque "a compra de libros pasou de 7,13 a 4,8 exemplares por alumno e ano". Así e todo, esta organización de editores amósase extremadamente crítica cos sistemas de préstamo como o implantado en Galicia en tempos do bipartito e liga, como o Goberno galego, a acumulación de manuais escolares nas casas do alumnado cun maior rendemento escolar. A receita da Xunta Malia moverse neste escenario os plans do Goberno galego non pasan por moverse un centímetro da denominada Gratuidade Solidaria, o modelo de subsidios parciais prexudicial para as familias pero tamén par a Administración, toda vez que xa é un 40% máis caro que o modelo de préstamo mentres cada vez fica máis alumnado fóra das axudas. Despois de que, no inicio do pasado curso, se estendesen os bancos de libros organizados por asociacións de nais e pais e algúns concellos, dende a pasada primavera a Consellería de Educación vén recomendando a extensión desta práctica ou, o que é o mesmo, a autoorganización das familias para paliar o recorte practicado dende o propio Goberno. A Xunta négase a recuperar o sistema de préstamo pero insta as ANPAS a "estender" os bancos de libros, creados para paliar os recortes Nesta liña, a pasada primavera a oposición parlamentaria galega solicitáballe ao departamento de Jesús Vázquez uha avaliación dos resultados do seu modelo de axudas e, ademais, unha valoración do informe no que a Defensora del Pueblo, Soledad Becerril, recomendaba "aplicar preferentemente sistemas de préstamo e reutilización de libros de texto, pola súa maior eficiencia e menor custe" e, ademais, pola súa "indubidable contribución ao proceso educativo do alumnado e á adquisición de hábitos cívicos e de convivencia". A resposta da Consellería foi manter a súa posición e guindar a pelota ao tellado das familias. "A Consellería pode aceptar e compartir o espírito das recomendacións da Defensora del Pueblo", dicía a resposta, na que a Xunta manifestaba tamén o "compromiso de axudar na adquisición de libros de texto a quen máis o necesita". O "modelo de acceso aos libros de texto é unha cuestión complexa que afecta ás Administracións educativas, aos centros, ás familias, aos libreiros e aos editores" e por iso o Executivo "recoñece o valor de experiencias xurdidas da propia sociedade, como os bancos de libros das ANPAS". Así as cousas, a Xunta ve necesario "propiciar que esta solidariedade e esta cooperación poidan estenderse ao conxunto do sistema educativo da nosa comunidade". Na mesma liña, o PP sacou adiante en solitario unha iniciativa para animar a crear este tipo de bancos de libros.
NOS_14189
Súmanse aos tremores rexistrados nas últimas datas no Condado e A Paradanta.
Un terremoto de magnitude 4,6 rexistrado no Atlántico fronte ás costas da Galiza na tarde desta cuarta feira sentiuse en municipios como a propia capital do país. Segundo a información actualizada polo Instituto Xeográfico Nacional (IXN), este tremor sucedeu contra as 15.44 horas con hipocentro a tres quilómetros de profundidade. En varias localidades galegas, como Compostela, a veciñanza sentiu este sismo, que fixo vibrar mesmo o mobiliario das vivendas. Previamente, ás 14.57 horas desta mesma cuarta feira, rexistrouse outro terremoto de magnitude 3,7 no océano Atlántico fronte á costa do país. E ás 16 horas producíronse outros dous tremores en Ribeira (1,9 graos) e ooutro tamén no Atlántico (2,5), até facer un total de catro en pouco máis dunha hora. Fontes do 112 sinalaron á axencia Europa Press que o servizo de emerxencias recibiu chamadas de veciños e veciñas de municipios costeiros como Porto do Son, Ribeira ou Vigo, así como outros do interior como Ames, A Laracha ou a capital. Estes dous tremores súmanse ao enxame de tremores que padeceron nas últimas datas as comarcas do Condado e A Paradanta. Sen risco de tsunami O director da Rede Sísmica Nacional, Juan Vicente Cantavella, explicou que o tremor de 4,6 foi o "maior" do que se ten constancia nesa zona do Atlántico. En declaracións á Radio Galega, afirmou que esta intensidade non causa danos ao producirse no mar. Igualmente, para que se produzan tsunamis é preciso que os sismos superen no mar os 6 ou 6,5 graos de magnitude. Revisar as zonas sísmicas Nunha entrevista concedida a Nós Diario, o delegado do Colexio de Xeólogos na Galiza, Pablo Núñez, apuntaba que "cumpría revisar as zonas sísmicas para asegurar que non teñen actividade superior ao que pensamos". "Cómpre, así mesmo, non deixar de investigar nin de implantar as determinadas medidas construtivas para garantir a integridade das infraestruturas, xa que na meirande parte das ocasións este é o principal motivo de que haxa máis ou menos vítimas. Temos o caso de Xapón, onde un terremoto non ten o mesmo impacto que en Filipinas", matizara daquela o experto.
NOS_51913
Rogelio Santos, irmán da ex secretaria xeral da formación morada a nivel galego, e Natalia Prieto, ex secretaria de Organización, apoiaron Carolina Bescansa nas primarias que desputou con Gómez-Reino para liderar a formación na Galiza.
O mesmo día en que se daba a coñecer que Carolina Bescansa ía liderar a candidatura de Más Páis pola Coruña Rogelio Santos remitía unha carta a Podemos Galiza na que lles notificaba a súa dimisión como integrante do Consello Cidadán. Rogelio é irmán de Carmen Santos, quen foi secretaria xeral de Podemos Galiza e deputado do Grupo Común da Esquerda. A través dunha carta datada este venres e dirixida ao Consello Cidadán, á que tivo acceso Europa Press, Rogelio Santos quixo agradecer "a todos polo tempo e o traballo" compartido na formación, así como polo "trato respectuoso que se mantivo por parte da maioría da organización". Non foi esta a única baixa das últimas horas no seo da formación morada, posto que tamén formalizou a súa marcha Natalia Prieto, que fora secretaria de Organización baixo o liderado de Carmen Santos. Abandonan Podemos Galiza dúas persoas próximas á que fora líder do partido na Galiza até outubro de 2018. Após a súa renuncia, abriuse un proceso de primarias nas que competiron polo liderado Antón Gómez-Reino e Carolina Bescansa, gañando o primeiro. Santos apoiara Bescansa. Que esta agora volte a primeira plana da política da man do 'errejonismo' sitúa todas as miradas sobre que vai facer Carmen Santos, que ten cadeira no Parlamento da Galiza.
PRAZA_3843
As queixas dalgún veciño e do propio xornal El Correo Gallego foron respondidas pola iniciativa #plantandolumens, que anima a realizar proxeccións en fachadas e que tivo eco, con mensaxes de ánimo á cidadanía e sobre todo aos colectivos máis afectados polo coronavirus
Dende o inicio do confinamento, as proxeccións nas fachadas convertéronse nun espazo para a creatividade, a comunidade entre a veciñanza e para o humor, amplificado a través das redes sociais, que conseguiron que aquilo que só podía observado en directo un número reducido de veciños e veciñas puidese ser visto por todo o mundo. Hai unhas semanas falabamos con algunhas das persoas que estaban a realizar proxeccións, entre eles Fer, da Escola Unitaria de Compostela, que destacaba pola variedade de mensaxes proxectadas e polo humor presente nelas.Porén, hai uns días El Correo Gallego criticou as súas proxeccións nunha noticia na que afirmaba que o xornal recibira "queixas de varias familias polo contido dalgunhas das mensaxes". A Policía Local de Santiago chegou a persoarse na vivenda dende a que Fer realiza as súas proxeccións para informarlo destas queixas, que en ningún momento se converteron en denuncias. Fer recoñece que a aparición dos axentes "non foi agradable" pero restoulle importancia.A situación ficou nunha anécdota á que o propio alcalde Xosé Sánchez Bugallo quitou ferro, recoñecendo estar "sorprendido" pola dimensión que acadara esta cuestión, que zanxou afirmando que "se debe respectar o exercicio da liberdade de expresión", aínda que recomendou "ser coidadoso" co que se proxecta.Nos últimos días puidemos ver un un aumento das proxeccións en distintos puntos de Galicia, solidarizándose con Fer e criticando os intentos de "censurar" esta vía de expresiónEn resposta ás críticas de El Correo Gallego e á propia visita policial, nas redes sociais lanzouse a iniciativa #plantandolumens (o lumen é a unidade de medida empregada para avaliar a potencia luminosa da lámpada do proxector), animando a todas as persoas que conten nas súas casas cun proxector a repetir o que se está a facer dende a Escola Unitaria e dende outros lugares. Así, nos últimos días puidemos ver un un aumento das proxeccións en distintos puntos de Galicia, solidarizándose con Fer e criticando os intentos de "censurar" esta vía de expresión durante o confinamento e lanzando mensaxes de ánimo ás veciñas e veciños. Tamén se proxectaron numerosas imaxes de apoio ao persoal sanitario e a outros colectivos (como as caixeiras dos supermercados) e en varios do lugares fixéronse visibles as reivindicacións do sector da cultura e dos seus e as súas profesionais, co hashtag #nonnoscanceles.Houbo, polo tanto, unha caste de Efecto Streisand, que dende a Escola Unitaria xa rebautizaron como "efecto Concheiros" nunha das súas proxecciónsHoubo, polo tanto, unha caste de Efecto Streisand, que dende a Escola Unitaria xa rebautizaron como "efecto Concheiros" nunha das súas proxeccións. O Efecto Streisand é un mecanismo comunicativo polo cal o intento de censura ou de ocultamento dunha información por parte dunha persoa ou institución se volve na súa contra, provocando o efecto contrario e facendo que a noticia, ás veces de difusión moi limitada nun principio, multiplique os seus receptores por mor da denuncia desa censura. O efecto leva o nome de Barbra Streisand dende que a artista denunciou en 2003 a un fotógrafo por tomar unha imaxe aérea da súa casa; a fotografía, nun comezo intranscendente, deu a volta ao mundo a consecuencia da demanda xudicial iniciada.En calquera caso, Fer sinala que vai seguir realizando as súas proxeccións "algúns días máis", recollendo as mensaxes que a xente lle manda polas redes sociais, pero que despois deixará de facelas. "Son xa moitos días e a verdade é que estou un pouco canso", recoñece.Queres proxectar sobre a Catedral de Santiago?Ademais, dende este domingo calquera persoa que o desexe pode facer as súas proxeccións de mensaxes nas fachadas de edificios ou monumentos moi simbólicos de case todas as cidades galegas. Berto Yáñez publicou un xerador de proxeccións que permite amosar unha frase iluminada sobre a Torre de Hércules, a Catedral de Santiago, o Teatro García Barbón, o Teatro Jofre (Ferrol), a Muralla de Lugo, o Edificio La Torre (Ourense) ou sobre unha fachada calquera. Proxeccións virtuais para días de confinamento.
NOS_57996
'Inchazón', desta moza compostelá que é médica psiquiatra do Hospital do Barbanza foi o elixido entre os 42 artigos presentados.
'Inchazón', de Iria Veiga, é o artigo gañador da XIII edición do premio a artigos xornalísticos de lingua do Concello de Carballo. O xurado escolleuno entre os 42 presentados e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.250 euros e a publicación do artigo en Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos. Segundo indicou o xurado na acta, este recoñeceu "a súa sinxeleza, concisión e capacidade de incidencia no público a través dun texto con estrutura circular que pon de relevo a relación entre lingua e poder social. A través dunha experiencia concreta dunha médica visibilízanse prexuízos sobre a lingua e a necesidade de superalos. Desde o xurado considérase que o artigo pode incidir positivamente no prestixio social do idioma". Iria Veiga Ramos é veciña de Santiago de Compostela e é médica psiquiatra no Hospital do Barbanza. Está interesada especialmente na divulgación científica e tamén a lingua, mantén o blog O outro lado do espello e participa en iniciativas divulgadoras. O xurado do XIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Xurxo Chapela, xornalista e escritor; Paula Vázquez, xornalista; Xosé Manuel Pereiro, xornalista; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello, como secretario, con voz e sen voto. Nas doce edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo F. Carballido, Olga Patiño, Ana R. Barreiro, Ramón Vilar, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei, José Casás, Luz Cures ou Borxa Tenreiro.
NOS_23169
Os Emiratos Árabes Unidos están lonxe de cumprir cos estándares esixíbeis a un réxime democrático. A monarquía teocrática denunciada por incumprir sistematicamente os dereitos humanos e por conivencia co terrorismo salafista é o lugar escollido polo rei emérito español para a primeira etapa da súa fuxida.
Juan Carlos de Borbón atópase ligado de vello ás dinastías que rexen os Emiratos Árabes Unidos. Neste sentido, destaca a súa fonda amizade co emir de Dubai e primeiro ministro dos Emiratos Árabes Unidos (EAU), Mohammed bin Rashid Al Maktoum, até o punto de que o rei emérito e a súa irmá Pilar presentáronlle a súa sexta esposa, a princesa xordana Haya. Mohammed bin Rashid, que en 2011 regalou a Juan Carlos dous deportivos de marca Ferrari por un valor de 700.000 euros, foi condenado recentemente pola xustiza británica polo secuestro de dúas das súas fillas e por amezas a súa parella Haya, fugada neste Estado. Mohamed bin Rashid, cuxo patrimonio está valorado en 4.000 millóns de dólares, é un vello coñecido da xustiza internacional. Á volta de 2006 foi denunciado diante dun tribunal dos Estados Unidos polo secuestro durante as tres últimas décadas de arredor de 30.000 nenas e nenos que eran obrigados a traballar como coidadores e xinetes de camelos nunhas situacións extremas. Un ano antes, Unicef e os EAU asinaran un acordo polo que este Estado se comprometía a devolver aos seus países de orixe aqueles rapaces obrigados a traballar como escravos. O presidente do país, Zayed bin Sultan Al Nahayan, e o seu herdeiro, Mohamed Bin Zayed, tamén fan parte do círculo de amizades do monarca español. O primeiro recibiu diversas distincións honoríficas españolas, como a Orde de Isabel La Católica ou a Orde do Mérito Civil, aparecendo o segundo como anfitrión habitual de Juan Carlos nas súas visitas privadas aos EAU. En 2018 atopábase a carón do emérito cando no circuíto de Yes Marina en Abu Dhabi non dubidaba en saudar afectuosamente o príncipe herdeiro de Arabia Saudita, Mohamed Bin Salman, só un mes despois do asasinato do xornalista Jamal Khashoggi. As monarquías teocráticas do Golfo Pérsico Os Emiratos Árabes Unidos son outra das monarquías teocráticas do Golfo Pérsico coñecidas polas súas importantes reservas de petróleo e a violación sistemática dos dereitos sociais e individuais. Xurdidos en 1971 da unión dos emiratos de Abu Dhabi, Dubai, Sarja, Axman, Ras al-Jaima,Umm al-Caiwain e Fujairah merecen a crítica xeneralizada das asociacións internacionais en defensa dos dereitos humanos pola ausencia de liberdades políticas e pola represión aos opositores, polas desigualdades e as condición laborais dos traballadores, no seu 90% emigrantes, polo trato ás mulleres e pola persecución aos homosexuais. O informe de Amnistía Internacional de 2019 deixa poucas dúbidas ao redor da calidade democrática dos EAU. Así, recóllese que "as autoridades, en particular a Axencia de Seguridade do Estado, someteron a persoas detidas, algunhas delas estranxeiras, a reclusión arbitraria, tortura e desaparición forzada. Tamén restrinxiron a liberdade de expresión encarcerando en condicións terríbeis persoas críticas co Goberno". Ao tempo, destaca a discriminación "na lexislación e na práctica" das mulleres, sinalando que "os malos tratos son considerados como dereitos do esposo". A política internacional dos EAU leva moitos anos baixo sospeita. Á súa actuación militar en Iemen, facendo parte da coalición internacional que liderada por Arabia Saudita está a provocar un xenocidio, débese sumar a conexión co terrorismo salafista. A este respecto, diversos analistas ou dirixentes políticos, como o iemení Saleh al Jubwani, teñen denunciado as relacións de EAU con Al Qaeda e o Estado Islámico, até o punto de ser sinalado como un dos países que financiaron estas dúas organizacións nas dúas últimas décadas.
NOS_20989
A vaga outoniza de lumes propágase no sul do país e neste momento cinco incendios merodean a cidade de Vigo e obrigan ao desaloxo de vivendas en Pazos de Borbén. A impresión é que o dispositivo de incendios da Xunta -desmantelado a finais do verán segundo denuncias da oposición- está ultrapasado polos acontecimentos. O país rexista 80 incendios desde o sábado.
Chamas sen control e unha fronte de catro quilómetros. Lumes desatados en Ponteareas, Redondela e Pazos de Borbén -onde se tiveron que desaloxar moradas- uníronse para devastar centos de hectáreas e representar unha ameaza para Vigo. As lapas atinxen tamén Baiona e Gondomar. O incendio de Ponteareas levou por diante 1.200 hectáreas e acabou alastrando até chegar a Pazos de Borbén na madrugada do domingo. O intenso fume até obrigou a cortar a estrada PO-250. As condicións de vento e as altas temperaturas, até os 34 graos en Pontevedra, complican extraordinariamente a situación. Os lumes tamén incendiaron as redes sociais e, destarte, neste momento #ArdeGalicia é trending topic no estado. A coroa forestal 🔥🔥🔥🌲🔥🌲🔥🌲🔥🌲🔥🔥🔥de Vigo vista desde o CUVI #ArdeGalicia pic.twitter.com/exmg7Mo97V— Juan Merlo (@JMERL0) 15 de outubro de 2017
PRAZA_12898
É cada vez máis claro que diante dos recortes sociais, do malestar xerado polas consecuencias da crise e da limitación de dereitos o goberno vai adoptar unha política sostida de criminalización da protesta. Vaino facer –está a facelo- polos múltiples medios que ten ao seu alcance. Por un lado mediante modificacións normativas, como a xa anunciada penalización de certas formas de resistencia pasiva non violenta. Por aquí podemos agardar tamén máis limitacións aos dereitos de reunión, de manifestación e de folga.
É cada vez máis claro que diante dos recortes sociais, do malestar xerado polas consecuencias da crise e da limitación de dereitos o goberno vai adoptar unha política sostida de criminalización da protesta. Vaino facer –está a facelo- polos múltiples medios que ten ao seu alcance. Por un lado mediante modificacións normativas, como a xa anunciada penalización de certas formas de resistencia pasiva non violenta. Por aquí podemos agardar tamén máis limitacións aos dereitos de reunión, de manifestación e de folga. Por outro lado, mediante a utilización abusiva dos instrumentos legais xa en mans do poder, mediante actuacións desproporcionadas e represións selectivas destinadas a crear medo, como o encarceramento de participantes en piquetes ou en outro tipo de protestas, a toma policial das cidades con ocasión de protestas ou a vixilancia e control das comunicacións cidadás. Podemos esperar tamén actuacións abertamente ilegais, como a provocación ou a xeración de condicións nas que sexa doado producir algunha violencia para despois pór aí o foco. E tamén, como non, a xeneralización dun discurso criminalizador, no que se queira botar man da retórica antiterrorista para botarlla enriba aos disidentes. Na neolingua do poder ao exercicio do dereito de manifestación chámaselle algarada ou directamente violencia. Na neolingua do poder ao exercicio do dereito de manifestación chámaselle algarada ou directamente violencia Resulta necesario, pois, cargarse de razóns para uns tempos nos que o exercicio dos dereitos políticos básicos aparece como subversivo. No que superar a pasividade quere ser visto como un crime. Ou no que a non-violencia é asimilada sen arrubiar ao terrorismo. É preciso cargarse de razóns porque toda acción de protesta, de desobediencia e de resistencia supón tamén unha loita pola lexitimidade da propia acción. A protesta, a desobediencia e a resistencia, unha vez que o poder tenta criminalizalas e deslexitimalas supón unha reivindicacións non só dos seus fins seno tamén, e ao tempo, dos seus medios. É dicir, de si mesmas. É preciso cargarse de razóns porque toda acción de protesta, de desobediencia e de resistencia supón tamén unha loita pola lexitimidade da propia acción Por iso é necesario lembrar que a historia da democracia e os dereitos pode ser lida como unha historia onde a loita, a disidencia e a desobediencia ao poder tiveron un papel destacado. Nin o máis revirado dos nosos gobernantes –ou dos mandos policiais- podería negar isto máis que desde o cinismo máis noxento. Non se pode negar, pois, que se temos algúns dereitos e liberdades débese máis á desobediencia del algúns que á obediencia de moitos. Os ataques á posibilidade de disentir e de desobedecer son, por tanto, ataques ás nosas posibilidades futuras de protexer os dereitos, de amplialos ou de profundalos. Fronte a isto, o argumento máis sofisticado (aínda que habitualmente se utilizan outros máis cavernícolas) é que a desobediencia e o disenso tiña sentido cando (ou teno onde) non se respectaban os dereitos, en contextos onde non existen canles democráticas institucionalizadas para a expresión política, e en particular para a expresión política do disenso. Mais unha vez que estas canles existen, a desobediencia civil deixaría de ter senso e xustificación. Pódese dicir isto de xeito categórico: de acordo con esta tese, a desobediencia civil non ten xustificación nun contexto democrático, ou –na súa versión máis moderada- sería unha expresión só xustificábel en casos moi taxados, extremos e marxinais. Creo que esta tese, que algúns mesmo defenden de boa fe, é errónea. En cambio, creo que é posíbel defender de xeito máis plausíbel o contrario. Vou sistematizar o que quero defender en cinco puntos. a) A desobediencia e a resistencia non violenta como xeito de disidencia e disenso fixeron parte substancial da tradición de loita pola democracia e os dereitos e, lonxe de estaren esgotadas, débeno seguir facendo no futuro. b) A desobediencia civil, o chamado "dereito de resistencia", e outras formas non formais de acción política están plenamente xustificados en termos políticos e morais en contextos non democráticos, de vulneración grave dos dereitos básicos, de ocupación militar, etc. Non é só que a desobediencia civil ou o dereito de resistencia estean xustificados en democracia, senón que o tratamento que de feito (ou de dereito) se lles dea nun determinado contexto xurídico-político é mesmo un criterio ou indicador da calidade democrática existente nese contexto c) Estas formas de acción están xustificadas en termos político-morais tamén en contextos democráticos. A discusión aquí será en que circunstancias, con que requisitos, etc., pero non sobre a súa xustificación en xeral. d) Non é só que a desobediencia civil ou o dereito de resistencia estean xustificados en democracia, senón que o tratamento que de feito (ou de dereito) se lles dea nun determinado contexto xurídico-político é mesmo un criterio ou indicador da calidade democrática existente nese contexto. e) Finalmente creo que non é só que a desobediencia civil e a resistencia non violenta sexan xustificábeis nun contexto democrático dun punto de vista político-moral, senón que ás veces tamén o poden estar dun punto de vista xurídico, ou mellor, xurídico-constitucional. Creo ter ordenado estas teses de xeito que aceptar calquera delas implica aceptar as anteriores. Tamén, por iso precisamente, as primeiras suscitan un acordo máis xeneralizado que as últimas. É o motivo polo que vou dar por aceptadas a) e b), sen maior discusión. Que é a democracia? Falar da tese c) esixe facer algunhas precisións respecto ao que é a democracia. Creo que falar de países democráticos –fronte aos que non o son- é impreciso e xeralmente utilizado con intención enganosa e lexitimadora do poder. Podemos falar certamente de países que claramente non son democráticos, pero iso non nos autoriza a falar sen máis de que outros o son, sen maiores precisións. É un uso ideolóxico do termo, no senso marxiano de falsa conciencia. En lugar de falarmos de democracia sen máis, resulta moito máis precisa a idea de "procesos de democratización" Se todo o que temos son democracias fronte a países que non son democracias, daquela abonda con estar no lado correcto. Resulta en definitiva unha cuestión de todo ou nada, pero por iso acaba por non importar a maior ou menor calidade desa democracia. Considero, en cambio, que en lugar de falarmos de democracia sen máis, resulta moito máis precisa a idea de "procesos de democratización". É dicir, de procesos históricos nos que estamos mergullados, nos que o final non está escrito, nos que non hai un punto de chegada estático, e nos que cabe avanzar ou retroceder. A democratización das sociedades ou das institucións non ven dada de unha vez por todas. Se isto é así, a xustificación político-moral da desobediencia civil pode ser mellor entendida, xa que pode ser interpretada en termos non tanto de "democracias pretrificadas", senón de "procesos de democratización" e como instrumento deles. A desobediencia sería un instrumento para a democratización. O significado das loitas dos "desobedientes civís clásicos", Thoureau, Gandhi, Luther King, por falamos dos máis coñecidos, poderían ser interpretados tamén como loitas polos dereitos e pola democratización, ademais das finalidades concretas que os animaron. Rawls, por exemplo, considerou que a desobediencia civil había de ser interpretada como un dos recursos estabilizadores dos sistemas constitucionais, xa que ao pór de manifesto as inxustizas colabora á súa erradicación Isto, claro, lévanos directamente á afirmación d): en que senso podemos dicir que a existencia de desobediencia civil e de outras formas de acción do disenso pode ser entendida como un síntoma de calidade democrática? Realmente non é que sexa esta unha tese demasiado arriscada nin subversiva. Os máis prestixiosos filósofos liberais contemporáneos teñen insistido nesta idea. Liberais de verdade, claro, tan lonxe dos sedicentes liberais hispánicos. Así Rawls, por exemplo, considerou que a desobediencia civil había de ser interpretada como un dos recursos estabilizadores dos sistemas constitucionais, xa que ao pór de manifesto as inxustizas colabora á súa erradicación. Unha vía, en definitiva, conservadora ou como moito reformista, pero ben consciente do lugar do disenso na democracia. Habermas, pola súa banda, considéraa unha forma de contribuír dun xeito non convencional á formación da vontade política colectiva e máis que un elemento estabilizador sería unha pedra de toque para comprender as bases morais da democracia: unha vía alternativa a ser utilizada por todos aqueles aos que se lles nega a participación na vida política e as canles ordinarias de toma de decisións políticas ou que se enfrontan a feitos consumados. Por iso, de xeito diferente que para Rawls, estas accións non son un fenómeno excepcional nin un derradeiro recurso. Son un síntoma de calidade democrática. Desde aquí é xa doado transitar cara a xustificación non só política e moral da desobediencia, senón tamén xurídica e constitucional (a nosa tese e). Adóitase dicir que a desobediencia civil e a resistencia, tratándose de actos ilegais, non poden estar xuridicamente xustificadas, xa que algo prohibido por lei non pode estar ao tempo permitido. Así, como moito, podería ser toleradas pero sempre desde a súa ilegalidade absoluta. Porén, a desobediencia civil nun sistema xurídico complexo só é ilegal de entrada. A razón é que resulta posíbel que dun exame máis fondo se chegue eventualmente á conclusión de que algo aparentemente ilegal non o era finalmente. Por varias razóns, pero a máis interesante aquí é que podería ser que unha norma violada resultase finalmente ilegal ela mesma, ou inconstitucional. De feito, moitas veces o propio obxecto do acto de desobediencia pode ser amosar o facto de que na realidade o acto realizado non era ilegal. Poderíase ir máis lonxe e considerar mesmo que a desobediencia civil e outras formas de resistencia non violentas en si mesmas son un test de constitucionalidade, precisamente en relación a casos nos que existan dúbidas sobre a validez ou invalidez da lei, nos casos que resulta dubidosa por existiren argumentos a prol ou en contra. Mesmo poderíamos dar un paso máis: non resulta excesivo argumentar que o feito de un grupo de cidadáns decidir pór en marcha unha campaña de desobediencia civil contra unha lei –co custe que isto supón para eles- é un factor por si mesmo para pór en cuestión a constitucionalidade da lei. Neste sentido sería un test de constitucionalidade en dous sentidos, xa que por un lado sería un mecanismo para suscitar o control de constitucionalidade, e por outro ela mesma sería un indicio de inconstitucionalidade. A estas condutas deberíase responder non coa represión, senón cunha actitude de tolerancia por parte dos poderes públicos, en orde a que a desobediencia en cuestión podería estar finalmente xuridicamente xustificada. Naturalmente isto ten por que significar que habitualmente as formas ilegais de protesta non violenta, sexan na realidade legais. Pero prevén da idea de que sempre o son. É moi habitual que na realidade moitas formas de protesta en termos de desobediencia e resistencia nin sequera vaian contra as leis, senón contra ordes circunstanciais da policía, que pola súa propia natureza son máis susceptíbeis de ilegalidade e inconstitucionalidade que a propia lei Xa non é que crea que as teses expresadas aquí son –fronte ás visións autoritarias da obediencia incondicionada- razoábeis e fundamentadas, senón que creo ademais que non representan ningún especial radicalismo. Pola miña parte estaría disposto a radicalizar o alcance de algunhas delas, pero fico aquí para non embazar a discusión do asunto central. Nótese, ademais, que do que levo dito, xustificaríase en certos casos a desobediencia da lei. É dicir, de un tipo de norma que en última instancia vai investida da presunción de lexitimidade que lle dá ser producida por un poder lexislativo de carácter representativo. Pero é moi habitual que na realidade moitas formas de protesta en termos de desobediencia e resistencia nin sequera vaian contra as leis, senón contra ordes circunstanciais da policía, que pola súa propia natureza son máis susceptíbeis de ilegalidade e inconstitucionalidade que a propia lei; e ademais precisamente as ordes que se darían en contextos nos que esteamos a exercer os nosos dereitos básicos de manifestación, de reunión ou de expresión. Por este motivo os argumentos aínda serían máis fortes para estes casos. As respostas represivas e criminalizadoras non só son unha medida da catadura moral e política dos gobernantes, senón tamén un ataque en toda regra á propia calidade democrática A calidade dunha democracia ten, pois, moito que ver coas respostas fronte ao disenso democrático e coa boa saúde deste. As respostas represivas e criminalizadoras non só son unha medida da catadura moral e política dos gobernantes, senón tamén un ataque en toda regra á propia calidade democrática.
NOS_18189
A superpotencia reúnese cos vinte Estados que colaboraron con Washington na Guerra de Corea, para debater posíbeis sancións para o país
O secretario de Estado dos Estados Unidos, Rex Tillerson, advertiu esta cuarta-feira en rolda de prensa que "se Corea do Norte non escolle o camiño do diálogo, discusións e negociacións, provocará que se adopten medidas militares". O político fixo estas declaracións en Vancouver (Canadá), onde participa nunha reunión sobre o programa de armamento núcleos e posíbel bloqueo marítimo contra o país asiático. Tillerson encontrouse na cidade canadense esta terza-feira cos ministros de Asuntos Exteriores dos 20 países que xa atacaran previamente Corea no ano 1950. Estados como Francia, Reino Unido, Australia, India, Colombia ou Grecia participan no encontro, no que se cuestiona o programa nuclear de Corea do Norte e Irán, mais non fan obxeccións contra o arsenal de 6.800 cabezas nucleares dos Estados Unidos. "Estamos dispostos a seguir advogando por sancións mais duras contra Corea do Norte se realiza novas provocacións", ameazou o responsábel estadounidense na comparecencia pública. A desnuclearización do estado asiático semella ser una condición sine qua non para o goberno estadounidense, quen volveu insistir a China -aliado tradicional de Pyongyang- e Rusia que se unan ao grupo de Estados que demandan penalizacións para Corea do Norte. Pola súa parte, a ministra de Asuntos Exteriores canadense, Chrystia Freelad, tamén estivo presente na conferencia de imprensa, ocasión que aproveitou para reiterar o apoio dos Estados participantes na cimeira para "traballar xuntos para que as sancións sexan estritamente executadas". Un punto delicado nas relacións diplomáticas Pola súa banda, Corea do Norte xa manifestara en decembro que un bloqueo sería equivalente a unha declaración formal e unilateral de guerra, polo que solicitou aos seus agresores que reconsiderasen a súa posición e tivesen en conta o armamento nuclear do que dispón o seu exército. Estes últimos feitos teñen lugar nun momento crucial no que, por un lado, os dous Estados da península coreana -divididos desde o armisticio de 1953- acababan de retomar recentemente as conversas e, por outro, a ONU decretaba unha serie de sancións contra Corea do Norte concretizadas na inspección e detencións de navíos con produtos embargados que se dirixan ao país.
NOS_10173
En resposta a unha pregunta formulada polo BNG sinala que interrompeu os traballos mais non llo comunicou á veciñanza. O Bloque denunciou o proceder da Xunta na contratación perante un suposto delito de prevaricación.
O director Xeral da Axencia galega de Infraestruturas, Francisco Menendez, asegurou en comisión parlamentar que o goberno galego "autorizou a paralización" das obras da autovía da Costa da Morte. Porén, esta información non fora comunicada --até o de agora-- á veciñanza. As declaracións de Menendez producíronse en resposta a unha pregunta formulada pola deputada do BNG, Ana Pontón. Desde o grupo nacionalista exixen que o executivo aclare en que data foron interrompidos os traballos. Aliás, Pontón demandou que sexa remitido á Cámara o expediente de contratación das obras adxudicadas á empresa contrutora Puentes y Carreteras S.A. A organización frontista denunciou na Fiscalía a mudanza lexislativa prevista polo goberno de Alberto Núñez Feijóo nos Orzamentos de 2015. Através da Lei de acompañamento o executivo reducirá á metade os quilómetros planificados inicialmente o que supón a modificación do contrato sen se producir un novo proceso de licitación da obra. Desde a fronte nacionalista instaron a Fiscalía a investigar perante o que, afirman, podería constituír un delito de prevaricación. Opinión tamén partillada polos servizos xurídicos do Parlamento que a petición do grupo parlamentar socialista emitiron un informe ao respeito. No devandito texto afirman que o proceder da Xunta non se axusta a dereito e instan a un novo concurso público. Ana Pontón reclamou explicacións do executivo de Alberto Núñez Feijóo polo que considerou unha "xestión neglixente" da infraestrutura pola que, aliás, a administración pagará "tres veces máis" do previsto malia construírense menos quilómetros. O goberno galego prevé un investimento de 617 millóns de euros en 27km. fronte os 540 millóns adxudicados inicialmente para un traxecto de 60 km.
NOS_42287
A deputada Fernández Davila afirma que o Real Decreto-lei sobre medidas para reparar os danos causados polos temporais de xaneiro e febreiro obvia os importantes prexuizos en áreas como Ourense ou A Limia.
O pleno do Congreso d@s deputad@s acolleu o debate do Real Decreto-lei polo que se adoptan medida para reparar os danos causados polos temporais nos meses de xaneiro e febreiro na fachada atlántica e na costa cantábrica. Desde o BNG xa denunciaron o que entenden que son "insuficiencias" e "carencias" dese Real Decreto por canto "no que atinxe ao seu ámbito de aplicación esquece zonas do interior moi afectadas". Non é, porén, esta a únmica chata que @s nacionalistas apoñen a ese RD xa que, din, " non recolle os graves danos que se produciron en sectores como o agro e a pesca". "A catástrofe natural que se viviu na Galiza e noutros territorios non só se produciron na costa e na hostalaría, senón que os dous meses e medio de temporais ininterrumpidos tamén danaron a zonas do interior, e a terras de cultivo moi importantes". Davila nomeou comarcas como a de Ourense ou A Limia, con importantes estragos nas colleitas e plantacións, así como anegamentos de terras agrícolas. "Instamos ao Goberno a ter en conta estas insuficiencias no contido do Decreto".
PRAZA_5013
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten en marcha un procedemento para a realización externa de informes que rolda os 100 mil euros. A CIG lembra que xa en outubro se aprobou a incorporación de dous directivos procedentes do ámbito privado, con soldos superiores aos dun subdirector xeral.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) é unha entidade adscrita á Presidencia da Xunta e creada en 2010 para definir, desenvolver e executar a política do Goberno galego no eido das tecnoloxías da información e a comunicación, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico. É un organismo público, polo tanto, creado co obxectivo de aglutinar estas competencias e servizos, con incidencia en todas as áreas do Goberno. Dende a súa creación foron moitas as voces, sobre todo dende o ámbito sindical, que denunciaban prácticas tendentes á privatización ou externalización de varias das súas actividades e competencias, e mesmo á facilitar o nomeamento, para postos técnicos, anteriormente ocupados por persoal da administración, de persoas procedentes do ámbito privado e da empresa. Ao longo do pasado ano a CIG alertou en varias ocasións da intención amosada pola Xunta de incorporar este persoal directivo para estes postos, o que se concretou nunha proposta realizada o 28 de outubro na Comisión de Persoal, na que o Executivo creaba cinco postos de persoal directivo funcionario na AMTEGA, dos cales dous poderían ser ocupados por persoas da empresa privada. En concreto, tratábase dos postos de xerente e de director da Área da Sociedade Dixital. O director xeral de Función Pública prometeu na Mesa que só se nomearían funcionarios de carreira para estes postos. A AMTEGA conta con persoal da empresa privada para realizar as funcións de dirección na Área de Sociedade Dixital, en substitución dunha funcionaria que ocupaba o posto até esa data "Pola experiencia destes anos sabemos que a palabra do Partido Popular vale cero", dicía entón o sindicato. E, efectivamente, catro meses despois, a AMTEGA conta con persoal da empresa privada para realizar as funcións de dirección na Área de Sociedade Dixital, en substitución dunha funcionaria que ocupaba o posto até esa data. O sindicato denuncia que isto supón "un sobrecuste ás arcas públicas" ao cobrar esta persoa 6.000 euros anuais máis que un subdirector xeral, un funcionario da súa categoría coas retribucións máximas. Ademais, critica que se "importe" persoas "afíns", o que constitúe ademais "un insulto a estes compañeiros/as con sobrada e demostrada capacidade técnica para desenvolver estes postos". A CIG tamén denuncia a contratación de forma externa na AMTEGA de "servizos externos e asistencias técnicas para realizar funcións propias dos empregados/as públicos". Por exemplo, un procedemento aberto para a realización de "estudos e informes no ámbito da Sociedade da Información", no que a Xunta gastará ao redor de 100 mil euros. Non é o único caso. Revisando a plataforma de contratación da Xunta, atopamos un bo número de convocatorias abertas ou resoltas da AMTEGA nas que os sindicatos amosaron as súas dúbidas. Para a CIG, "esta é só a primeira pinga deste proceso" O sindicato considera que a AMTEGA "afonda na súa intención de privatizar todos os seus servizos, entre os que inclúe o Observatorio da Sociedade da Información (OSIMGA) e o Centro Demostrador TIC para os que destina un total de 450.000 euros". Para a CIG, "esta é só a primeira pinga deste proceso" e rexeita "non só que se inunde a Administración de persoas da empresa privada, senón a mesma regulación da figura do persoal directivo e o proxecto de Lei de Emprego Público", que aseguran está "ditada segundo os mandatos da FAES".
NOS_9219
O Salón do Libro de Pontevedra achégase aos vinte anos de vida. E faino cunha aposta pola visibilidade da muller –Mulleres de conto é o lema da XIX edición- e a internacionalización: México é o país convidado. Até o 29 de abril, a cidade abeira ducias de actividades relacionadas co mundo da literatura infantil e xuvenil.
"Pretendemos render merecida homenaxe ás mulleres que conforman o mundo da literatura infantil e xuvenil", explican desde a organización, "desde os personaxes dos contos até as autoras, editoras, ilustradoras, profesoras, bibliotecarias". Ao tempo, indican, procuran promover "unha lectura crítica e reflexiva, con perspectiva de xénero". Organizado polo Concello de Pontevedra desde 1999, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil conta con dous escenarios principais, o Pazo da Cultura e a Illa do Covo. Obradoiros, presentacións, conferencias de formación dirixidas a público adulto, sesións de contacontos, teatro ou sinatura de libros converten Pontevedra na capital da, talvez, póla máis vizosa da industria editorial galega. México "de ida e volta" Na páxina web do encontro, a relación entre México -cultura convidada- e Pontevedra é descrita como "camiño de ida e volta". "O Salón está irmandado coa Feira Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil de Cidade de México, o evento de literatura infantil máis importante", aseguran, e anuncian unha morea de actividades "dunha e doutra beira do Atlántico, de intercambio e coñecemento mutuo". Unha delegacíon formada por unha ducia de autoras, ilustradoras e editoras farán ao longo deste mes de abril de embaixada mexicana en Galiza da literatura infantil e xuvenil. María Victoria Moreno e outras actividades Durante a celebración do Salón do Libro tamén se fallará a primeira edición do premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil. Convocado polo Concello de Pontevedra e máis por Urco Editora, o galardón consiste en 4.000 euros e a publicación do libro. Na tarde desta segunda feira, 9 de abril, Amanda Mjangos ofrecerá un obradoiro sobre máscara mexicanas, haberá unha mesa redonda sobre dinamización lectora e outra mexicana, Laura Carrillo, achegará o mundo das súas ilustracións. Na terza feira, María Guiezhooba explicará como facer libros de cartón, un debate intentará tirar conclusións arredor de como achegar a realidade ás crianzas a través da lectura e haberá unha visita guiada ao salón. Na cuarta feira, e coincidindo coa segunda metade da semana, as actividades multiplícanse. Obradoiros de ilustración de contos, cores e como facer radio para a difusión do libro combinaranse cunha mesa redonda sobre a poesía infantil e a actuación de dúas contacontos. A quinta feira, 12 de abril, mesmo existirá a posibilidade de aprender a realizar anuncios de libro dirixidos ás redes sociais audivisuais, como facer poemas para nenas e nenos ou un recital, desta volta na Libraría Paz. Nesta ligazón pódense consultar horarios e actividades: http://www.salondolibro.gal/programacion-2018/
NOS_3084
"A existencia de tres redes a nivel galego, Santander, Pastor e Popular, fará que a reestruturación sexa especialmente dura en Galiza", advirte a CIG.
A reestruturación que prepara o Banco Santander pode ter un forte impacto na Galiza. Así o considera a CIG, que alerta que a existencia de tres redes a nivel galego, a do Santander, Pastor e Popular "fará que a restruturación sexa especialmente dura aquí". Por iso xa demandou, no seu día, o mantemento do Banco Pastor, afirmando que iso tería permitido manter un maior nivel de emprego. "Pero a dirección desbotou a nosa proposta, sen que a Xunta movese un dedo". Santander impulsa un ERE que afecta 3.713 empregos. Unha restruturación "brutal" que pon de manifesto a "avaricia desmedida" dun banco que obtivo beneficios multimillonarios en 2018. O ERE afectará a 3.713 persoas e pecharán 1.150 oficinas, 57 xa a partir do 21 de xuño, 1 delas en Galiza, segundo se informou nesa xuntanza na que a CIG preguntou pola afectación a nivel galego, que non foi negada. A entidade prevé ter pechadas, a 31 de decembro deste ano, 1.129 oficinas universais, das que a carga de traballo de 200 pasaría a 'axentes comerciais' e 21 de banca privada, todas de orixe Banco Popular. Isto afectará, segundo a sección sindical da CIG, a 2.847 persoas na rede comercial, a 588 na rede de apoio e a 278 nos servizos centrais, onde habería 15 unidades afectadas.
NOS_26199
"O detido estaba a obter información que, de ser utilizada polos servizos especiais rusos, podería ter desencadeado un impacto negativo directo na seguridade exterior e interior de Polonia", sinala o Goberno polaco, a respecto do xornalista vasco.
O pasado 28 de febreiro o xornalista vasco Pablo González foi detido por axentes da Axencia de Seguridade Interior de Polonia na localidade de Przemysl, na fronteira con Ucraína, onde se atopaba cubrindo o conflito. Esta sexta feira, segundo recolle a axencia EFE, González está en prisión provisional acusado de espionaxe. "O home foi identificado como un axente da Dirección Principal de Intelixencia do Estado Maior Xeral da Federación Rusa", afirmou esta sexta feira o portavoz do Goberno polaco, Stanislaw Zaryn. Pascual Serrano: "Non se pode dar exemplo de liberdade fechando medios" Nun comunicado, engade que o xornalista "realizou actividades para Rusia mentres aproveitaba o seu status xornalístico", o que lle tería permitido "moverse libremente por Europa e outros países do mundo, incluíndo zonas afectadas por conflitos armados e áreas de tensión política". "O detido estaba a obter información que, de ser utilizada polos servizos especiais rusos, podería ter desencadeado un impacto negativo directo na seguridade exterior e interior de Polonia", prosegue o escrito do Goberno. Antes da súa detención, afirma, "tiña pensado ir a Ucraína para continuar a súa actividade". Seguen as restricións contra Sputnik e Russia Today, agora tamén fóra de Telegram As autoridades polacas aseguran que "se conseguiron numerosas probas, que agora se someten a unha análise detallada". O delito de espionaxe que se lle imputa prevé unha pena de até dez anos de prisión. "Con base na decisión do tribunal, foi detido temporalmente durante tres meses", remata o comunicado gobernamental.
NOS_55223
O coñecido Youtuber, que forma parte da primeira xeración de mozos que elixiron como profesión crear contidos para a plataforma no Estado español, centra catro temas do momento en Twitter após facer público que comezará a tributar nese territorio.
Nun momento no que as plataformas de creación de contido como Youtube e, especialmente, Twitch viven unha nova eclosión grazas en parte á pandemia e o confinamento do ano pasado, todo o que fan as e os youtubers máis coñecidos do Estado español convírtese en tema de debate. Hoxe foi El Rubius (un dos profesionais deste ámbito de primeira xeración en España e presente en ambas redes sociais cuns números incontestábeis) quen marcou a xornada noutros foros como Twitter. O coñecido creador, un referente para moitas nenas e nenos tamén na Galiza, anunciou que marcha a vivir a Andorra, onde ten previsto tributar despois de que pagara os seus impostos no Estado español desde que iniciou a súa carreira até agora. Malia que esta situación non tería por que ter transcendencia máis alá da vida privada de Rubén Doblas -o seu nome real- a decisión vén de motivar un amplo debate nas redes sociais. Por exemplo, nun momento en que hai moitas noticias importantes, Doblas foi quen de situar catro cancelos entre os temas máis falados en Twitter nesta segunda feira. Aliás o seu propio nome de usuario, tamén Andorra, IRPF e youtubers tiveron os seus propios fíos para analizar o por que da decisión do youtuber de marchar de España. Mentres que outro referente para as novas xeracións como Ibai Llanos falaba nun directo en Twitch da súa intención de seguir pagando o IRPF no Estado español, Rubius non é o primeiro destes novos profesionais da comunicación audivisual que decide marchar a Andorra por entender que alí os impostos son máis xustos. Antes foron WillyRex, The Grefg ou Vegetta777, entre outros, os que estabeleceron o seu domicilio no Principado. "Levo os dez anos da miña carreira como youtuber pagando aquí", comentou El Rubius, de 30 anos, consciente de que haberá críticas pola súa decisión. No entanto, aclarou que a baixada dos impostos é un incentivo pero que a mudanza vai tamén ligada a que todas as súas amizades xa viven alí. Porén, as críticas foron a tónica xeral. Opinións na mesma liña "Se marchas a Andorra a acaparar diñeiro e contribuír menos do que che correspondería marchas e calas. O da ximnasia mental de que marchas porque todos os teus amigos están alí ou a perversión de equiparar impostos con donativos ou roubo, a aforras", lamentaba un usuario. Outra persoa engadiu un tuit, dos miles enviados á rede a través dos catro cancelos, no que opinaba. "El Rubius gaña máis de catro millóns de euros ao ano, dos que lle quedan máis da metade, e creo que deberían dar clases de matemáticas básicas e economía doméstica obrigatoriamente aos youtubers porque ao parecer non alcanzan a entender canto diñeiro é un millón de euros". "Creo que moitos youtubers e streamers pensamos algunha vez en irnos a vivir a Andorra... Pero eu tamén os animo a que lle dedes unha segunda volta a eses pensamentos por moi tentadores que sexan", reflexionaba Cristinini, outra das creadoras do momento. Aludía así ás declaracións feitas hoxe por outro compañeiro de profesión, Alexelcapo.
NOS_20044
Escritor e presidente da Asociación de Escritores en Lingua galega
Cal é a súa valoración dos resultados? Veñen momentos moi duros para a cultura e o idioma galegos. Agardamos que a pesar dos resultados ter a capacidade de manter o idioma e a cultura vivas. Non nos van a derrotar a esperanza de que os galegos e as galegas gobernemos a nosa terra. Que supoñen para o sector da Cultura? Dada a dinámica actual as repercusións son negativas. Seria sorprendente que se atendera doutro xeito a nosa actividade. Os escritores e as escritoras de Galiza saberemos estar a altura do que o país necesita. Non só reivindicando seguir sendo escritor@s en lingua galega. Agardamos que unha cultura milenaria como a nosa siga forte.
NOS_28791
O marine Chris Kyle (Bradley Cooper) é destinado a Iraq en misión de cobertura. A súa precisión e puntería lendaria transcendeu tanto que os inimigos puxéronlle prezo a súa cabeza. Baseada en feitos reais.
Ben é sabido a afinidade de Clint Eastwood co partido republicano, mais ate o de agora procurou sempre aportar un punto de vista máis ou menos distante a modo de crítica do sistema. En O Francotirador, o biopic do marine Chris Kyle, parece como que estivera influenciado pola recente morte do protagonista (real) a mans dun "amigo" fai agora dous anos, ou quizás só quería plasmar o sentir dun país que se cre que son os bos e os demais os malos. Sexa como for, a sensación é a de que enxalza á personaxe, e por ende ao soldado americano. Como dicía, conta a historia de Chris Kyle, un texano pailán coa biblia, o rodeo e a defensa dos USA coma ideal máximo. Así que o paso natural na súa existencia é a de alistarse nos marines co fin de servir ao país. E así o fai. Tras un duro adestramento é enviado á Iraq tras o das Torres Xemelgas. Antes diso coñece a unha moza (Sienna Miller) e casa antes de marchares á guerra. A historia transcorre entón entre as idas á fronte e os retornos a casa. Faise unha lenda acadando o récord de mortes e seguindo a máxima de "non pensar" e "non deixar a ningún home atrás". Pouco a pouco retornar a casa nos permisos váiselle facendo cada vez máis costa arriba. nunha espiral de patriotismo rancio e compañeirismo bélico. Cal é a súa verdadeira familia? A muller que ve de cando en vez para facerlle un fillo? Ou os marines cos que está man a man todos os días e lle dan os parabéns nas costas por matar iraquís? Na trama non falta unha sorte de enfrontamento entre francotiradores estilo Inimigo ás Portas (1999, Jean-Jacques Annaud) da "lenda" contra un sirio, o cliché do malo malísimo carniceiro árabe con desaparafusador, momentos dramáticos de nenos con armas, familias colaboracionistas, asaltos heroicos... Estereotipos bélicos divididos en catro tomas, que son as veces de idas e vidas que ten Chris Kyle entre ir á fronte e o retorno "a casa". Iso si, todo co selo Eastwood. Porque á marxe de filias e fobias, Eastwood mantén o pulso cunha dirección que xa lle gustaría a moitos aos 84 anos -ou en calquera momento da súa carreira- e que lle valeu unha nova nomeación aos Óscars, cerimonia na que só acadou a estatuíña a Mellores Efectos Sonoros (dos seis que optaba). E non me estraña porque as balas parece que asubían ao carón. Efectos visuais de última xeración con momentos hiperrealistas onde se mostra toda a crueldade da guerra pero sen caer na casquería, boas interpretacións -sobre todo Bradley Cooper con cara de aparvado-, excelente fotografía de Tom Stern -habitual de Eastwood desde Débeda de Sangue- e banda sonora principal do propio Clint Eastwood, que ten o detalle para deixarlle a partitura final a Ennio Morricone para dar o necesario ton evocador e de vangloria definitivo do heroe, recordando, de paso, os seus inicios nos spaghetti-western. Factura impecable e todo moi ben rodado. Iso si, dáme pena que non aproveitara o material que tiña entre mans para darlle unha boa labazada ás mentiras sobre a guerra de Iraq. Apunta un par de críticas veladas contra a guerra -no irmán que queda tocado, os veteranos mutilados e o sufrimento da muller de Kyle- pero son apuntes moi velados e o que queda resaltado é a glorificación do soldado. Enténdese ben porqué fixo o filme como o fixo, e de seguro que simplemente define gran parte da realidade do país, porén dáme pena igual... Con todo, Clint Eastwood é a verdadeira "lenda" da película. O Francotirador Título orixinal: American Sniper Ano: 2014 Duración: 132 min. Nacionalidade: estadounidense Director: Clint Eastwood Guión: Jason Hall Fotografía: Tom Stern Música: Clint Eastwood Elenco: Bradley Cooper, Sienna Miller, Luke Grimes, Jake McDorman, Kyle Gallner, Keir O'Donnell, Owain Yeoman, Eric Close, Sam Jeager
PRAZA_13891
O presidente da Xunta adianta máis axustes para diminuír os gastos da Administración, os institucionais e os políticos. Ademais, volve xustificar a redución de deputados. "Se o Goberno foi capaz de aforrar, o lóxico é que para a próxima lexislatura o Parlamento tamén sexa máis axustado dentro do cumprimento estrito do Estatuto", di.
Haberá máis recortes. Así o confirmou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que avanzou que o seu Goberno fará máis recortes en partidas que son "prescindibles" porque, segundo aclarou, hai que diminuír os gastos da Administración, os institucionais e os políticos "se é posible". "Se os mercados se comportan con normalidade, non nos acolleremos ao fondo de liquidez estatal", asegura Nunha entrevista concedida á Cadena Cope, o xefe do Executivo galego insistiu en que o seu obxectivo é non tocar os gastos esenciais en Servizos Sociais, Educación e Sanidade e volveu presumir da licitación de centros de saúde ou a ampliación de hospitais. Ademais, reiterou que Galicia non se acollerá ao fondo de liquidez estatal aínda que engadiu un condicional. "Se os mercados se comportan con normalidade, non (nos acolleremos ao fondo)", asegurou, tras lembrar que a comunidade autónoma "veu colocando a débeda pública que lle autorizou o Goberno central durante todos estes anos". Aínda así, Feijóo xa propuxo unha solución ante un hipotético "peche dos mercados". "Se non se subscribe débeda para ninguén, sería necesario falar para que o Tesouro emita débeda e se distribúa ao resto de autonomías", dixo. Feijóo cre tamén que o límite de débeda fixado para Galicia é dabondo "porque é unha repartición proporcional en base a criterios obxectivos de porcentaxe de débeda acumulada". "Parécenos suficiente porque encaixa dentro do cumprimento do déficit. Se Galicia se compromete csen dúbida a cumprir un déficit do 0,7%, a débeda que necesita entre ingresos e cumprimento, é a que outorgaron", destacou o xefe do Executivo, que acusou a algún presidente autonómico, en referencia aos de Andalucía e Catalunya, de buscar "un culpable" no Estado cando teñen que anunciar recortes e sacrificios nos seus territorios. "Ademais de buscar un culpable exterior, ao que se lle chama despois por teléfono para pedirlle diñeiro e que acuda en socorro dos problemas autonómicos, sería bo buscar solucións e ese o obxectivo de calquera gobernante responsable", resumiu. Tesoirada ao Parlamento O presidente galego tamén fixo alusión á redución do número de deputados que pretende acometer no Parlamento e apuntou que con iso busca cumprir co Estatuto de autonomía que sinala que Galicia terá un número de parlamentarios entre 60 e 80. En concreto, propón unha diminución á "banda baixa" que fixa o Estatuto, algo que, segundo precisou, obedece a unha liña iniciada fai tres anos e medio na que se reduciu á metade o número de altos cargos, rebaixouse un 40 por cento o persoal de gabinete e recortouse dous terzos a administración paralela. Feijóo xustifica a redución de deputados no cumprimento "estrito" do Estatuto de Autonomía Desde o seu punto de vista, o Estatuto de autonomía débese aplicar no momento de "maior" desemprego do país. "Se o Goberno foi capaz de aforrar, o lóxico é que para a próxima lexislatura o Parlamento tamén sexa máis axustado dentro do cumprimento estrito do Estatuto", engadiu. Aínda así, resaltou que Galicia terá no próximo mandato o triplo de deputados por poboación que o Congreso dos Deputados.
NOS_28076
O comité agradece o apoio do tecido comercial e hosteleiro da comarca ao paro.
Seguimento de "100%" na folga en Alcoa contra o despedimento colectivo na planta de aluminio, nunha xornada de protesta que comezou con barricadas nocturnas e a queima do panel de entrada da fábrica, así como co corte da vía de tren que discorre pola factoría. En declaracións a Europa Press, o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, destaca o apoio total á folga do persoal das fábricas de aluminio e alúmina, así como das auxiliares, á vez que agradece o apoio de establecementos da comarca co peche das súas portas. "Sabemos que nos están apoiando os comercios e autónomos e os empresarios da Mariña, incluídos os concellos Xove, Cervo e Viveiro que tamén puxeron día de folga para hoxe", apunta. Así, avisa de que "o primeiro que ten que facer o Goberno é tomar nota e facer o seu traballo". "Xa estamos fartos de ter que saír á rúa para defender o que é bo para a comarca ", afirma. "Aos políticos éncheselles a boca cun pacto social entre empresarios e axentes sociais, aquí fixemos un pacto social sen necesidade de negocialo", reflexiona Zan. Fronte á Xunta Ao mediodía os traballadores farán unha concentración perante a sede central da Xunta, en Compostela. Posteriormente, reuniranse co conselleiro de Economía, Francisco Conde.
PRAZA_19606
O PP di estar disposto a incorporar á comisión a documentación recibida pola CIG sobre supostas irregularidades inmobiliarias do ex-director xeral de Caixa Galicai, peronon a que volva comparecer
O 21 de xuño de 2013, hai case catro anos, José Luis Méndez ofreceu as súas primeiras e únicas explicacións públicas sobre as case tres décadas en que tivo o control de Caixa Galicia. Durante algo menos de dúas horas de sesión o antigo señor da caixa do norte destilou displicencia cara aos membros do Parlamento -"non pretendín ser arrogante, pido desculpas", acabara engadindo- e, sobre todo, repartiu culpas: das preferentes, cara ao persoal da entidade desaparecida e da fusión, cara a Feijóo. Cando se produciu aquela comparecencia aínda non saíran á luz os documentos que, recibidos máis dun ano despois pola CIG dunha fonte anónima, atribuíron a Méndez operacións inmobiliarias presuntamente irregulares. Agora a comisión de investigación das caixas reabre para pechar pola vía rápida e Méndez non terá que volver á Cámara para dar contas ao respecto. Os grupos parlamentarios veñen de rexistrar as súas propostas de plan de traballo para a segunda volta da comisión das caixas e toda a oposición pon o foco sobre o Méndez. Dúas das formacións da esquerda, En Marea e BNG, reclaman que o antigo director xeral de Caixa Galicia volva comparecer e tanto o Bloque como o PSdeG piden incorporar aos traballos documentación ligada ás súas actividades. O PP xa avanzou, a través do seu voceiro, Pedro Puy, que está disposto a admitir os documentos recibidos pola CIG sobre o ex-responsable da caixa do norte, pero pecha a porta a novas comparecencias, incluída esta. "Non ten sentido que quen xa compareceu, volva comparecer porque non nos gustou a resposta que deu", resolve. O PP di estar disposto a incorporar á comisión a documentación recibida pola CIG sobre supostas irregularidades inmobiliarias de Méndez, pero non a que o ex-director xeral de Caixa Galicia volva comparecer No entanto, no seo da oposición si ven relevante que Méndez, quen deixou o seu posto xusto antes da fusión, volva ao Pazo do Hórreo. "Na documentación, de confirmarse a súa veracidade, achéganse probas documentais de como a esposa de José Luis Méndez (...), tras proceder o matrimonio á separación de bens, adquiriu activos da Corporación Caixa Galicia" como "pisos, locais e garaxes" a "un prezo inferior ao prezo de taxación fixado pola propia entidade", indica o plan de traballo proposto polo Bloque. "Nas datas nas que se efectuaron estas operacións" Méndez era tamén presidente da devandita Corporación, que tiña como conselleiro delegado ao seu fillo, José Luis Méndez Pascual, cuxa comparecencia pide tamén En Marea. Os socialistas, pola súa banda, reclaman incorporar aos traballos da comisión os "contratos de traballo asinados" polo antigo dirixente de Caixa Galicia "dende que en 1981 o consello de administración o nomea director xeral, así como as actas e outra documentación dos órganos directivos" da entidade no seu mandato. "Reservámonos o dereito a solicitar novas comparecencias en función da información obtida", agregan no seu plan de traballo. Toda a oposición pide novas comparecencias, pero os populares prevén rexeitalas Pero nin estas nin outras comparecencias pedidas polos grupos da oposición chegarán a bo porto. Non en van, o plan de traballo do PP contempla reunir "toda a información" xa tratada na comisión de investigación da pasada lexislatura -paralizada durante tres anos polos propios populares- e engadir a ela algunha documentación adicional. Serán documentos como a sentenza da condena dos ex-directivos polas súas indemnizacións millonarias ou papeis vinculados ao proceso de rescate e venda de Novagalicia Banco por parte do Estado. Quedará fóra tamén, como era previsible, unha investigación polo miúdo dos máis de 5.000 millóns de euros en 'ladrillo tóxico' que chegaron a acumular as desaparecidas grandes caixas galegas. Segundo o voceiro do PP con seu plan evítase que esta comisión de investigación sexa "un instrumento de liorta política". "Temos a conciencia absolutamente tranquila, porque Galicia é unha das poucas comunidades autónomas que traballou por manter unha entidades domiciliada no seu territorio", di, en referencia a Abanca, e "coa inxente documentación que xa existe -o PP incorporou ao seu plan de traballo un índice de documentos que, por mor do formato elixido, ocupa máis de 200 folios- debemos chegar a unhas conclusións o mías compartidas posibles" sobre o acontecido. "O ditame final -advirte Puy- non vai ser unha lista de prexuízos ou presuncións non fundamentadas".
PRAZA_2117
O presidente da Xunta admite que a enquisa lingüística en educación infantil ten efectos vinculantes malia á sentenza do decreto: "Se a maioría dos pais queren que os seus nenos aprendan a ler en castelán, faino toda a aula". Audio no interior
O nome de Alberto Núñez Feijóo figura recorrentemente nas cábalas de cargos do PP que poden dar o salto a Madrid e é un dos incluídos na escasa nómina de dirixentes con posibilidades de serviren de recambio para Mariano Rajoy no caso de que non revalide a presidencia do Goberno de España nas eleccións de decembro. Con este pano de fondo o presidente da Xunta retomou hai tempo a actividade estatal que reducira tras a crise política polas fotos con Marcial Dorado e multiplicouna nos últimos meses, con aparicións en escenarios tan mediáticos como a campaña electoral catalá, pedindo o voto para o controvertido Xavier García Albiol. Neste contexto, Feijóo déixase ver tamén nos foros que satisfacen o sector máis á dereita dentro do PP, e nun deles é onde este xoves augurou un "cataclismo" no caso do que o seu partido non goberne tras os vindeiros comicios xerais. Antes da xuntanza semanal do Goberno galego Feijóo participou no programa radiofónico dirixido e presentado por Federico Jiménez Losantos, na ultraconservadora esRadio. Alí foi cuestionado pola súa dispoñibilidade para substituír a Rajoy no caso de derrota e, malia asegurar que non contempla a "hipótese" de que o PP "non vaia ser maioritario nas eleccións de decembro", admite que o escenario podería mudar. A xuízo de Feijóo, un Executivo que, por exemplo, estivese avalado por PSOE e Podemos suporía todo un "cataclismo económico, social e de nación" e, nese caso, "habería moitas cousas que pensar e reflexionar". Entre os ataques de Losantos a Rajoy o líder do PP galego dá en admitir que no liderado do seu partido pode haber "carismas discutibles, sensacións positivas ou negativas", pero asegura que é o único "camiño polo que se chega ao benestar". Se a dereita sae de La Moncloa, prognostica, "volveremos ver se podemos pagar as medicinas nas farmacias e empezaremos unha discusión de psicoanálise para preguntarnos se somos españois". O presidente da Xunta lamenta que o PSOE non forme coalicións co PP e reitera a necesidade dunha reforma da lei electoral Estes e outros motivos son os que levan a Feijóo a apostar por unha nova vitoria de Rajoy, pero tamén a reclamar por enésima vez unha reforma da lei electoral. Faino, asegura, porque "o PSOE xa non é unha alternativa de Goberno". "Se tivésemos a oportunidade de falar cun partido homologable ao resto de partidos socialdemócratase europeos volveríamos recompoñer o mapa político", que, diagnostica, ficou descomposto tras as eleccións municipais en cidades como A Coruña, onde "gañamos, pero o PSOE votou a favor do candidato de Podemos Mareas". Cómpre, sinala, unha reforma que lle outorgue o goberno á lista máis votada porque, ao seu xuízo, se está a "incumprir o espírito da lei electoral española", feita "para a transición" e que agora, dende a súa perspectiva, impide "que os cidadán vexan reflectido o seu voto no seu alcalde ou no seu presidente de comunidade autónoma. "Se Adolfo Suárez se presentase ás eleccións hoxe non sería presidente, porque o PSOE pactaría con todos para que non gobernase", fabula. O "decreto do galego e do español" Feijóo admite que a Xunta fai unha enquisa lingüística que na práctica é vinculante: "Se a maioría dos pais queren que os seus nenos aprendan a ler en castelán, faino toda a aula" Alén do seu futuro político Feijóo foi cuestionado tamén sobre a "escolarización dos nenos en español" que, segundo o condutor da entrevista, non está garantida en Galicia. Para o presidente a pregunta resulta "moi pertinente", xa que o Tribunal Constitucional vén de rexeitar o recurso de amparo formulado pola Real Academia Galega como última tentativa de frear o denominado decreto do plurilingüismo pola vía xudicial. Despois de asegurar que "perderon todas as sentenzas que impuxeron contra o decreto do galego e do español" e, acto seguido, admitir que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia "advertiunos de dous preceptos que non eran conformes a dereito" en varias sentenzas, o presidente admitiu que, na práctica, o seu goberno executa unha das partes do decreto que, segundo o alto tribunal galego, eran ilegais. "Eu comprometinme a facer enquisas vinculantes entre os pais para coñecer a opinión sobre a lingua" e decidir o idioma do ensino "e o TSXG invalidou ese artigo, dicindo que esa non é unha facultade dos país", lembra o presidente. "É verdade que eu fago unha enquisa non vinculante por imperativo legal", detalle, pero en Educación Infantil "se a maioría dos pais dunha aula queren que os seus nenos empecen a ler e escribir en castelán, empeza a ler e escribir en castelán a totalidade da aula", admite, o que implica, polo tanto, que a enquisa pasa a ser vinculante pola vía dos feitos. O modelo, asegura, complétase impartindo "un 50%" das materias en galego e outro tanto en castelán no resto de niveis educativos, algo que, segundo se veu acreditando nestes anos, non se está a cumprir.
NOS_9326
O conxunto de medidas que o executivo de Mariano Rajoy pretende aprobar como estratexia contra o desemprego xuvenil introducen mofificacións lexislativas que fomentarán a precaridade e a temporalidade laboral entre as persoas menores de 30 anos. A estratexia foi pactada entre o Ministerio de Fátima Báñez (PP), a patronal española e os sindicatos CCOO e UGT.
Unha batería de 100 medidas compoñen a Estratexia de emprendemento e emprego xuvenil que o Goberno español pretende aprobar como resposta ás elevadas taxas de desemprego xuvenil --o 50% no Estado español--. O programa --que foi aplausado polas institucións europeas e a chanceler alemá, Angela Merkel-- prevé modificacións lexislativas, nomeadamente do Estatuto de Traballadoras e traballadores. Após máis dunha ducia de xuntanzas cos líderes da patronal, Juan Rosell e dos sindicatos españois CC.OO e UGT, a ministra de Emprego Fátima Báñez xunto co presidente do executivo, Mariano Rajoy anunciaron 15 medidas "de choque" a curto prazo que procuran frear o pingueira de moz@s que acotío se ven abocad@s ás ringleiras do paro. Contratos de formación encadeados e sen límitesAs reformas que procura aprobar o goberno de Mariano Rajoy e que poderían ser avaliadas esta sexta no Consello de Ministr@s prevén modificacións lexislativas que institucionalizan a precariedade laboral entre a xente moza --para alén das mermas nas condicións de traballo da mocidade que xa foran introducidas nas sucesivas reformas laborais. Ruptura co tope estabelecido polo Estatuto d@s traballadoras e traballadores que fixaba en cinco anos após a titulación o límite para un contrato formativo. Neste senso, patronal, goberno e sindicatos permitirán que unha persoa saída do centro de ensino hai máis de seis anos poida ser contratada por unha empresa de acordo cos criterios que a reforma laboral fixa para esta modalidade contractual. Isto é, o cobro durante tres anos dun salario inferior ao mínimo. Aliás, modifícase a lei para que unha mesma empresa poida encadear contratos en prácticas e de formación. Até o momento a lexislación impedía que unha mesma entidade puidese renovar contratos en prácticas á fin de fomentar a contratación indefinida e combater a temporalidade e precariedade laboral. Porén, a ministra de Emprego Fátima Báñez anunciaba após a última xuntanza coas centrais sindicais que pactaron a estratexia que "se poderá concertar un contrato en prácticas con base nun certificado de profesionalidade obtido como consecuencia dun contrato para a formación celebrado anteriormente coa mesma empresa". Neste senso, o presidente do executivo Mariano Rajoy aseguraba no debate de política xeral celebrado esta semana a creación dun contrato a tempo parcial "con vontade formativa" para menores de 30 anos" que aliás suporá bonificacións para as empresas cunha redución da cotización á Seguridade Social até dun 100% para aquelas empresas con menos de 125 traballadoras e do 75% para as restantes. No entanto, a formación non terá por que desenvolvela a empresa nin inserirse dentro do horario laboral. Tampouco así terá que circunscribirse de maneira necesaria á "ao posto de traballo ofertado" aseguran desde o Ministerio. Mesmo 90 horas anuais en idiomas xa se consideran requirimento cumprido, isto é, 1 hora cada días. Asemade, a reforma prevé que as Empresas de Traballo Temporal (ETT) poidan asinar contratos en formación, algo prohibido pola lexislación até o de agora.
NOS_46915
Na noite do 1 de xaneiro de 1921, o vapor El Santa Isabel naufragaba fronte ás costas de Sálvora (Ribeira). A única esperanza dos 260 emigrantes embarcados para Bos Aires serían tres mulleres da illa que decidiron botarse ao mar porque, como sentencia María, a personaxe de Nerea Barros no filme, "era o que había que facer". Remando de ouvido entre a densa néboa, conseguiron salvar 50 persoas. As chamadas "heroínas de Sálvora" son as protagonistas d'A illa das mentiras, a primeira longametraxe de ficción de Paula Cons, un filme que entrou pisando forte ao conseguir, na fin de semana da súa estrea, colocarse como o contido máis visto na plataforma virtual máis cinéfila: Filmin. Coas sospeitas dun xornalista arxentino, a directora e guionista constrúe un thriller de época que recupera, desde a imaxinación, as vidas destas mulleres sepultadas no esquecemento.
Xornalista de profesión, Paula Cons (A Coruña, 1976) goza dunha longa traxectoria no audiovisual galego, na que destaca como cofundadora da produtora Agallas Films. Con traballos previos no eido documental, A illa das mentiras constitúe o seu salto á ficción e o primeiro filme escrito por ela, mais cun fondo pouso de realidade, pois este relato que constrúe a modo de thriller está baseado na historia real dun naufraxio acontecido fronte ás costas de Sálvora hai case 100 anos. Ante a fazaña das tres mulleres que arriscaron a vida para salvar as vítimas e o seu escaso coñecemento, a directora acometeu a misión de "encher os ocos" para traducir os recortes de prensa ao plano emocional e construír unhas protagonistas que, aínda que desde a ficción, rescatan do anonimato as que deron en chamar heroínas de Sálvora. Aínda que o coronavirus forzou esta estrea virtual o pasado 24 de xullo, cunha moi boa acollida de público, a directora non renuncia a que o filme chegue ás salas e conta, para alén da xa anunciada proxección no Festival de Cans, con que teñamos algunha outra oportunidade para vela na gran pantalla. —A historia do naufraxio do Santa Isabel é un deses achados incríbeis. Como deu con ela e decidiu levar ao cinema ese intre da vida das "heroínas de Sálvora"? Eu tiña moitas ganas de escribir xa o meu primeiro guión. Aínda que me roldaba a cabeza algunha outra idea, tamén moi vencellada ao mar, como son xornalista os feitos reais parece que sempre me chaman máis. Unha amiga foi a unha pequena exposición e tróuxome un folleto. Daquela xa fiquei rota, porque non coñecía para nada o tema. E que unha persoa coma min, que estou moi interesada na historia da Galiza e mesmo traballei nun programa como Desde Galicia para o mundo (que iso marca!), non o coñecese... Mesmo cheguei a pensar na posibilidade de que non fose verdade, que fose como unha mostra sobre un feito inventado. Pero cando comecei a buscar en Internet atopei unha morea de cousas e quedei impresionada. O definitivo foi cando empecei a saber delas, e sobre todo a ver que non sabía delas, porque non había moitos datos. E a min era o que máis me interesaba. —Hai unha clara vontade entón por rescatalas para a Historia. Dígoche unha cousa, máis que nada foi que me acendeu a imaxinación. Eu son humilde, si que me parecían uns feitos que había que sacar á luz e unhas mulleres que había que reivindicar. —Até onde chegan os feitos reais nos que se basea o filme e onde comeza a ficción, esa sorte de thiller en chave rural? O certo é que hai moito de ficción. Eu sempre aclaro que non é un documental. Sobre todo, onde hai máis invención é nos motivos do naufraxio. Porén, moito do que lles pasou a elas é real e deixo albiscar moitas cousas. Digamos que eu atopo uns feitos e unhas personaxes marabillosas e deixo voar a imaxinación, o xogo. E incorporo ao tempo na trama feitos ou lendas da costa da Morte. —Refírese aos raqueiros? Efectivamente. —Como guionista, leva co proxecto desde o mesmo comezo. Canto custou sacar adiante un filme de época como A illa das mentiras? É unha carreira de fondo. De feito, máis che vale estar moi namorada do proxecto, porque se non... Con todo, confeso que para min esta película foi como sinxela, cando menos de financiar, porque cada paso que dabamos non había que dalo dúas veces. Así ía avanzando, non demasiado lenta e moi segura. O que pasa é que miras cara a atrás, sumas os anos e claro, son cinco. Pero dígoche de verdade que non é moito. Eu dediqueime a encher os ocos, a pensar nos sentimentos. A raíz diso, comecei a quedar moi colgada co tema do estrés postraumático que elas sufriran —Como foi o proceso de investigación dos feitos que hai tras esta recreación? Eu son moi rata de biblioteca. O que pasa é que neste caso as persoas expertas no tema fixeron moito traballo por min. É dicir, hai libros de Tino Vieitez e de Xosé María Fernández Pazos. Os feitos están aí e en moitas publicacións de prensa da época. Eu máis que nada dediqueime a encher os ocos, a pensar nos sentimentos. A raíz diso, comecei a quedar moi colgada co tema do estrés postraumático que elas sufriran. A min era o que me obsesionaba. Xa agora é complicado xestionar ese proceso, pero unha muller en 1921, tal como era o contexto na Galiza, que non se lle permitía a expresión dos sentimentos... Xa non somos unha cultura que saquemos moito para fóra, pero ademais nunha illa... Esa era a miña teima. —Teño entendido que a rodaxe, neses escenarios naturais, foi tamén bastante exixente. Sabes o que pasa? Eu estaba tan encantada de estar alí que non notaba nada. De feito, hai un punto no que o ves mal de verdade. Teño que andar para todos os lados, usar medios de tracción mecánicos, hai un baño para 50 persoas... Pero sentes que o que estás a facer é de verdade. E despois axudou moito o equipo, que estaba a tope. A verdade é que tiña medo de como tomasen esas condicións, pero entendérono: "Lóxico, había que facelo así". Ao final pareciamos todas [Santiago] Pemán, porque non só tiñamos que estar pendentes do tempo, senón do estado do mar, que ás veces non ten nada que ver. E víasnos a todas falando: "parece que hoxe a altura das ondas vai ser dun metro e medio". Porque claro, se superaban os dous metros non nos podían levar á illa. Ou moito peor, podían levarnos pero igual quedabamos alá. Mais a illa e o mar portáronse e non houbo ningún problema. —O filme presenta unhas protagonistas femininas moi fortes. Cre que coa entrada de mulleres nos eidos da realización ou do guión se están a modificar as personaxes femininas, tradicionalmente moi sexualizadas e obxectivadas no cinema convencional? Eu penso que si. De feito a min con este filme pasoume unha anécdota. Fun a Chile a un obradoiro de desenvolvemento de guión co proxecto e as mulleres chilenas dicíanme: "Hostia, isto é feminismo 2.0, porque as túas protagonistas fan as cousas mal, son complicadas de querer". Alí aínda tiñan que ser doces, amorosas, como se as tivesen que idolatrar. A min apetecíame crear unha protagonista coa que tiveses que ir, pero que fose dura, fastidiada de seguir. As mulleres estamos comezando a contar as nosas historias e facémolo desde a verdade. Non é que sexan personaxes nin máis fortes nin menos, é que as mulleres son así. A min encántame unha historia que contaba a actriz Reese Whiterspoon de que ela comezara a facer as súas propias producións cando por enésima vez nun filme lle tocaba virarse cara ao home e preguntar: "Que facemos?". Nunca, xamais, unha muller cuestiona iso. Unha muller fai e punto. —Na súa equipa tamén hai unha destacada presenza feminina. Como valora a situación da muller detrás das cámaras? Fica aínda moito por facer, pero avanzouse bastante. Eu penso que a discriminación positiva das axudas foi importantísima, e o traballo de asociacións como CIMA [Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais, a nivel estatal] é fundamental. As nosas predecesoras deixáronnos unha situación moi boa e hai ademais excelentes profesionais. Eu tamén digo unha cousa: se ti tes a dúas persoas iguais intentando subir, pero a unha lle pos enriba un peso de cinco quilos e de súpeto llo quitas, esa persoa dispárase. Nós estamos afeitas a loitar moitísimo para facer as cousas. Como nolas empecen a facilitar... Disparámonos! —A illa das mentiras foi estreada directamente en Filmin, unha plataforma online de distribución, como consecuencia da pandemia. Cre que veremos evolucionar aínda máis axiña os modelos de exhibición cara a esa dinámica de predominio dixital? Eu penso que non vai haber un traslado ao dixital, pero si un cambio de paradigma. E creo nunha convivencia pacífica e amigábel. Pero as salas son vitais. Pode haber un entendemento e unha estrea simultánea en plataformas e cinemas, axudarse e retroalimentarse, ver que cousas teñen que mudar... Esta situación, evidentemente, forzou moito as cousas. "Na dobraxe todas as intérpretes se fixeron a si mesmas, cunha calidade excepcional. esa é a película que a min me gustaría ter feito" —No caso concreto do seu filme, a acollida en dixital foi bestial. Só na fin de semana da estrea colocouse xa como o contido máis visto en Filmin. Si, foi unha pasada. A min teríame encantado estrear en salas. Eu rodei a película para exhibila nun cinema, iso é así. Pero chega un momento no que tes que remar a favor. Mais o obxectivo segue a ser que se estree na Galiza, en principio o 2 de outubro vai a salas. Iso para min é innegociábel. Pero mira que cousas, as espectadoras que tivo en Filmin non as alcanzaría nun fin de semana en salas, porque son cifras tremendas. Chegas a unha cantidade enorme de xente. E logo é precioso que nunha plataforma de tanto prestixio cinéfilo estea de número un. —A versión orixinal non foi filmada en galego, mais si posteriormente dobrada. Por que? Até onde eu sei, a opción de gravar na nosa lingua estivo sobre a mesa desde o comezo. Era o que eu quería. Pero as producións son complexas e consegues o diñeiro de moitas fontes. Cada produtor interpreta que o seu financiador pode crer que... Xa sabes. Máis que nada o problema foi que non houbo un empurrón. Nese punto, falei con Rosa Moledo e optamos por este traballo fonético e gramatical que está no filme. Do que si estou moi contenta é de que a versión que se vai estrear na Galiza en cinemas é en galego. Na dobraxe todas as intérpretes se fixeron a si mesmas, cunha calidade excepcional. Esa é a película que a min me gustaría ter feito. —Actualmente, que traballos hai no horizonte de Paula Cons? Agora estou rematando un documental cun director que se chama Gonzalo Suárez. O proxecto é A0.5, un xogo de palabras que refire a distancia á que estás sentada nunha cadeira de rodas. Conta a experiencia dun director de cinema que fica paralítico e o primeiro que fai é coller a cámara. É case como un Boyhood, un traballo cheo de verdade, de emoción, precioso.
NOS_8534
Sermos consolida o seu liderado nas redes sociais. Entre Facebook e Twitter, este diario dixital ten xa 45.084 persoas seguidoras.
Esta fin de semana o perfil Facebook de Sermos ultrapasou os 25.000 gústames -neste momento alcanza os 25.011- o que o torna no líder nesta rede social entre os diarios dixitais galegos que non son reprodución dunha publicación impresa. Acompañan Sermos nas redes un total de 45.084 persoas, as 25.011 de Facebook e as 20.073 de Twitter. O segundo dixital galego en audiencia nas RR.SS. é Galicia Confidencial, con 41.349 seguidoras (20.778 en Facebook e 20.571 en Twitter), en tanto que o terceiro é Praza Pública, con 39.216 (22.274 en Twitter e 16.942 en Facebook). Estas cifras acompañan o récord de audiencia obtido por Sermos no pasado mes de outubro, cando este diario dixital superou por vez primeira o patamar das 100.000 usuarias únicas até rexistar un total de 140.600.
NOS_48071
A xornada de folga convocada en Novagalicia Banco (NGB) tivo un amplo seguimento no cadro de persoal. Desde a CIG afirman que o 90% das oficinas e sucursais da entidade financeira sumáronse á protesta. Os sindicatos convocarán dúas xornadas de folga, 14 e 15 de febreiro
A práctica totalidade das oficinas pechadas e milleiros de traballadores e traballadoras tomando parte activa nas manifestacións. A convocatoria de folga en Novagalicia Banco (NGB) contra o ERE na entidade é un éxito, segundo as centrais sindicais con representación. Sinalan, por pór un exemplo, que en toda a provincia de Ourense apenas abriron as portas as sucursais de Maceda e Celanova. Desde primeiras horas da mañá, os piquetes informativos percorreron as oficinas de NGB. "Non facíamos moita falta, a xente estaba convencida da necesidade de acudir a esta folga", sinalaba un filiado da CGT en Compostela. Desde a CIG afírmase que o 90% das sucursais secundaron a protesta. E as mobilizacións foron masivas. "Hai 2.250 postos de traballo en xogo, os que queren despedir", apuntan. Conta os despedimentos impostos por Bruxelas e Madrid Dende as organizacións sindicais subliñouse que "os paros parciais fixeron que a empresa movese posición, mais aínda estamos moi lonxe de conseguir salvar todos e cada un dos postos de traballo". Por iso decidiron convocar unha folga. Nun principio, esta protesta ía ser secundada por todas as entidades nacionalizadas, como Bankia ou Banco de Valencia. Mais finalmente foi só o persoal de NGB o que secundou a greve, após que nos outros bancos se desligasen por acordos coa empresa. Na última xuntanza entre Novagalicia Banco e as organizacións sindicais ficou enriba da mesa unha proposta da patronal que abrangue todos os aspectos que presentou no Ministerio de Traballo: despedimentos, mobilidade, suspensións de contrato e modificacións substanciais das condicións laborais. A empresa propón, con carácter xeral, indemnizacións por despedimento de 28 días por ano traballado cun máximo 18 mensualidades. Para o persoal maior de 55 anos no 2013, a entidade cotizaría á Seguridade Social até os 61 anos (na súa proposta inicial era até os 63). Contraproposta sindical Por parte da representación sindical trasladouse unha proposta para evitar que se produzan despedimentos e garantir a viabilidade da entidade. As propostas inclúen que o reaxuste debería establecerse en 5 anos, cunha condición resolutoria para paralizar o proceso se se producir a poxa por parte do FROB. Todas as propostas sindicais teñen como fin reducir a cero os despedimentos. Así, as centrais tamén advogan por un reparto do traballo entre todo o cadro de persoal. ou ben un programa efectivo de recolocacións máis alá do mínimo legal.
NOS_3633
Antón Lopo é un creador con múltiples rostos. Escritor. Xornalista. Editor. Actor. Colaborador de Sermos (coa súa memorábel serie de entrevistas Extintivos). A súa voz non podía faltar en VenhanMais5
-Como avalías o estado actual da comunicación en Galiza? -O país está demerxido nun horizonte de confusión, desorientado, sobrevivindo como pode nunha nada que non é terra nin tampouco mar. Os medios son reflexo desa situación. Pero tampouco debemos levarnos a equívoco: nunca, coma hoxe, a pluralidade do país estivo tan representada e acadou tanta difusión, sexa en medios escritos ou dixitais. É dicir: existen múltiples plataformas informativas desde a que os individuos e os colectivos, mulleres e homes, expresan a súa visión da realidade e do seu horizonte libremente. Iso supón unha físgoa de aire que permite respirar. Porén, o aire non chega ao fondo dos pulmóns: resulta insuficiente para xuntar unha alternativa de información comunal crible. -Que evolución agardas neste ámbito a nivel galego a cinco anos vista? O Sermos ten enriba a responsabilidade de ser –de Sermos– avinza de estratexias. -Non son moi bo oráculo. Traizóame o meu optimismo patolóxico. A cinco anos vista, imaxino o pleno emprego dos profesionais do xornalismo galego en plataformas comprometidas co beneficio común. -Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar? -O Sermos xa forma parte doutra forma de ver realidade, o cal non é pouco: sen o semanario e sen a súa web sería moi difícil establecer as conexións periféricas que afortunadamente se dan. Hoxe, o único que realmente existe nas nosas sociedades é o periférico. Pero iso non implica que a periferia teña marxe de manobra para crear as súas propias estratexias. Supoño que o Sermos ten enriba a responsabilidade de ser –de Sermos– avinza de estratexias.
NOS_47946
Desde a chegada de Mariano Rajoy ao goberno foi retirado máis do 62% do capital do fondo de reserva. O goberno admite agora perante Bruxelas que a finais de 2017 na 'hucha' das pensións non ficarán cartos nin para pagar aos funcionarios a extra de Nadal.
O Fondo de reserva da Seguridade Social, máis coñecido como Fondo de pensións ou 'hucha' de pensións, será historia en decembro de 2017. A ferramenta creada no 2000 para garantir o futuro da actual poboación activa ten no presente, e segundo os cálculos do propio goberno español, un futuro negro. Máis ben, non ten futuro. Para finais do ano que vén non haberá un só euro no fondo, que estará en números vermellos (-2.655 millóns de euros). O Fondo creouse no 2000 e até o 2012 non se comezou a retirar capital. A primeira partida sacada foi de 7.000 millóns de euros Non é este un vaticinio feito por catastrofistas. Ben é certo que economistas e analistas advertían desde hai tempo que era o escenario cara a onde se ía. Mais agora son as propias previsións e cálculos que o goberno español inclúe no Plan orzamentario de 2017 e que remitiu xa a Bruxelas, como desvelou El Mundo, as que vaticinan a fin do fondo. O propio executivo vén recoñecer que non haberá cartos nin para pagar a extra dos empregados públicos do Nadal de 2017. O Fondo dispuña ao feche de 2015 de máis de 32.481 millóns de euros. Os cálculos son que mingue até apenas 13.500 millóns cando remate o actual exercicio, 2016. Unha cantidade ben pequena para soportar o propio défict que augura o goberno español, 1,4%. A desviación andaría nos 16.000 millóns de euros. Unha simple resta indica que os 13.500 millóns non chegan. Baleirado constante Cando Mariano Rajoy chegou á Moncloa atopou un Fondo de pensións ben nutrido, con 66.815 millóns de euros. O Fondo contará con 13.500 millóns cando acabe 2016. Un baleirado do 80% en apenas 5 anos. Só en xullo deste ano retiráronse cartos da 'hucha' por valor de 9.700 millóns de euros. En 2015 sacáronse 11.500 millóns de euros e 15.300 millóns foron retirados durante o exercicio 2014. As achegas no Estado español para pensións están por baixo da media que destinan os estados europeos. Por contra, o que se destina a elas está por baixo do que destinan en Europa. De aí que os economistas insistan en que o problema non está no gasto mais nos ingresos. Embora o aumento de afiliados nos últimos trimestres, as cotizacións para o fondo de pensións son baixas por mor da precariedade laboral e baixos salarios. E as pensións galegas son das máis baixas do Estado: Unha de cada tres pensións galegas non pasa da cuantía mínima.
NOS_25947
Feijóo partilla a posición do goberno central e descarga na oposición a pelota de aprobar os orzamentos do Estado para que poidan convocarse oposicións en Educación en Galiza. Euskadi convoca 740 prazas de mestre e Andalucía anuncia que convocará oposicións.
A incerteza e a inseguridade na que nestes días se atopan miles de persoas en Galiza polo anuncio do estado que deixa no ar a convocatoria de oposicións en Galiza non semella facer mella no presidente da Xunta, que optou por se posicionar á beira do executivo de Mariano Rajoy. Este anunciou que sen orzamentos aprobados para 2017 non hai oposicións. Un escenario que que supón que as previstas para Galiza en educación (mil prazas en 25 especialidades) e sanidade (unhas 800 prazas), non se convoquen. Cos efectos que iso supón para as miles de persoas que levan tempo preparando esta cita así como para os propios servizos públicos que contaban con nos vindeiros meses con recibir unha 'inxección' de recursos humanos que precisan como auga de maio. Núñez Feijóo botou man do argumento do Executivo central e emprazou a oposición a aprobar os orzamentos do estado para poder así solucionar a situación. A responsabilidade, pois, é da oposición. Se en abril non están as contas xerais aprobadas, indicou, non vai ser posíbel dar ese paso. O anuncio do Ministerio de Facenda xa provocou que territorios como Extremadura optasen por renunciar a convocar as oposicións. No extremo oposto, Euskadi, cuxo boletín oficial vén de publicar as prazas para a oposición, por volta de 740 prazas de mestre en especialidades como primaria, infantil, inglés, educación especial ou música. Anadalucía tamén anunciou que ía convocar oposicións. Desde a oposición en Galiza foron moi críticos con Núñez Feijóo e a súa postura a este respecto. Ana Pontón, BNG, emprazou o presidente da Xunta a exercer como tal e "non aceptar isto". A portavoz nacionalista considera que a decisión do Estado e que isto leve a que non se convoquen as previstas oposicións en Galiza é, de facto, como unha "suspensión da autonomía" de Galiza en temas nos que ten competencia. Luca Chao (En Marea) reclámalle á Xunta que non acepte o "ordeno e mando" desde Madrid e saque adiante as convocatorias públicas como xa fixeron outras comunidades.
PRAZA_12658
Se algo podemos resenhar do 29M é que enquanto a nova esquerda ficou praticamente sem espaço, fôrom as formas clásicas de organizaçom as que tivérom um maior protagonismo. Perante umha direita que avança sem separar-se do velho, polo menos a nível estrutural, a nova esquerda pretende remodelar o cenário político com umha rutura com o passado. Prosseguir nas velhas fórmulas seria umha espécie de dogmatismo inerente, um lastre do que teríamos que nos livrar para poder avançar, quase que sem esforços, a termos umha força nacionalista e de esquerdas ampla.
O fim da história propugnado por Fukuyama veu da mao de políticas débeis por parte da esquerda parlamentar. A sua utopia fijo-se realidade tam rápido como avançava o social-liberalismo e a aceitaçom das regras do mercado polas velhas organizaçons socialdemocratas, que nos anos 90 do século passado entrárom dentro das fileiras do estatus quo. Porém, a agudizaçom da crise económica na segunda década do século XXI veu a lembrar-nos que, pese a todas as renúncias, as maiorias sociais seriam as que sofririam as consequências das medidas desenhadas dende os novos think tanks da direita mundial. Nom deixa de surprender-nos que a burguesia argentina venha de expropiar parte de YPF a inversores espanhóis enquanto na Galiza som os pequenos proprietários os que tenhem que deixar por quase nada os seus terrenos para que avance o progresso com o AVE Nom partimos do otimismo para ver, por exemplo, que as dinámicas abertas em diferentes países de América Latina poidam ter um reflexo em Europa. Mas ainda que as condiçons de vida sejam piores, nom deixa de surprender-nos que a burguesia argentina venha de expropiar parte de YPF a inversores espanhóis enquanto na Galiza som os pequenos proprietários os que tenhem que deixar por quase nada os seus terrenos para que avance o progresso com o AVE. Claro que, contodo, nom persistiram aqueles que considerem umha aberraçom que os recursos naturais se ponham ao serviço da naçom, ao mesmo tempo que outros viram em qualquer oposiçom à construçom de megainfraestruturas umha forma mais de pailanismo porque, ao parecer, se os demais o tenhem nós nom podemos ser menos. Velha esquerda, nova direita Se algo podemos resenhar do 29M é que enquanto a nova esquerda ficou praticamente sem espaço, fôrom as formas clásicas de organizaçom as que tivérom um maior protagonismo. Perante umha direita que avança sem separar-se do velho, polo menos a nível estrutural, a nova esquerda pretende remodelar o cenário político com umha rutura com o passado. Prosseguir nas velhas fórmulas seria umha espécie de dogmatismo inerente, um lastre do que teríamos que nos livrar para poder avançar, quase que sem esforços, a termos umha força nacionalista e de esquerdas ampla. A idealizaçom dum 15M descomposto, que terá a prova de lume no vindeiro 12 de maio, junto com a crítica de que qualquer interrogante posto acima da mesa parte dumha ideia de conspiraçom, onde as perguntas que se ponhem acima da mesa som praticamente parte do manual de estilo soviético, som mostras de que o novo ainda é velho, que nom é capaz de adequar-se à nova situaçom. Poucos fam mençom ao elemento mais lúcido que trouxo o movimento dos indignados, que tem que ver precisamente com a caracterizaçom da dicotomia representantes/representados num contexto de desleixamento e desconfiança de cara os partidos Poucos fam mençom ao elemento mais lúcido que trouxo o movimento dos indignados, que tem que ver precisamente com a caracterizaçom da dicotomia representantes/representados num contexto de desleixamento e desconfiança de cara os partidos. Amador Fernández-Savater introduziu no debate político a "rutura da cultura da transiçom", a saber, a história da restauraçom bourbónica trouxo um relato de consensos e de paz social, onde os direitos adquiridos pouco ou nada tinham que ver com as luitas sociais, e para isso havia que edulcorar os conflitos. Sem contar a realidade basca, o 11M foi a primeira vez que um relato institucional criado polo Estado foi questionado polas próprias vítimas do terrorismo, dando pé a que a procura da verdade fosse um elemento central no dia no que Rajoy començou a longa espera de oito anos até chegar à Moncloa. E se hoje está aí, os meios neocons tenhem muita parte de responsabilidade. Contra todos os marcos Compre mudar natureza destituínte por vontade constituínte. Muitos movimentos sociais tenhem um carácter defensivo perante diferentes formas de agressom que estám a sofrer diferentes segmentos da populaçom: sindicalismo, luita estudantil, ecologismo ou sindicalismo tenhem esse componente intrínseco, que apenas pode mudar se as luitas começam a criar elementos que tenham que ver com a vida quotidiana, que desprazem os centros comerciais para criar espaços de convívio, lezer e formaçom à margem dos centros comerciais ou a televisom. Se queremos um país independente podemos començar a dotarmo-nos de pequenos recantos de autonomia, sem que isso suponha renunciar à política com maiúscula Se queremos um país independente podemos començar a dotarmo-nos de pequenos recantos de autonomia, sem que isso suponha renunciar à política com maiúsculas. Para entrar nela e num momento tam complexo como este, teremos que ver em primeiro lugar se existe vontade de sermos respeituosos, de conviver na diferença e de derrubar aqueles marcos mentais e físicos que impidem de entrada o diálogo e a compreensom. Sem dar liçons mas sem esperar sermos aprendizes de absolutamente ninguém. E para isto pouco ajudam as declaraçons sobre exclusons e outro tipo de piruetas dialéticas, regalando em demasiadas ocasions o capital simbólico do nacionalismo e da esquerda ao BNG. O que compre saber é se os diferentes agentes vam respeitar os debates que se dem desde baixo. O resto deveria ficar em anedota.
PRAZA_12833
CC.OO. e UGT por unha banda, e CIG pola outra, reúnen milleiros de manifestantes en toda Galicia. A Coruña acolleu os actos centrais dos tres sindicatos. CC.OO. e UGT reclámanlle ao Goberno que abra un proceso de negociación "para cambiar a fondo" a reforma, mentres que a CIG chama a unha folga xeral na primeira quincena de xuño. Galería de imaxes e audios no interior.
Este primeiro de maio presumíase singular, apenas un mes despois da exitosa folga xeral do 29M e nun contexto de mobilización sindical contra o desemprego, a reforma laboral do Goberno de Rajoy e os recortes nos servizos sociais. E, efectivamente, as manifestacións convocadas polos sindicatos rexistraron cifras de participación máis elevadas que en anos anteriores. Foron diferentes as mensaxes lanzadas por cada sindicato. CC.OO. e UGT reclamáronlle ao Goberno que abra un proceso de negociación "para cambiar a fondo" a reforma, mentres que a CIG chamou a unha folga xeral na primeira quincena de xuño. As centrais sindicais marcharon por separado, CC.OO e UGT por unha banda, e a CIG pola outra, ademais doutras manifestacións convocadas por CUT, CGT ou CNT. E tamén foron diferentes as mensaxes lanzadas nos discursos finais, a cargo dos dirixentes de cada sindicato. CC.OO. e UGT reclamáronlle ao Goberno que abra un proceso de negociación "para cambiar a fondo" a reforma, mentres que a CIG chamou a unha folga xeral na primeira quincena de xuño. As manifestacións serviron ademais para chamar a outras mobilizacións sectoriais, coma a manifestación en defensa do naval, convocada para o 12 de maio. Ou a folga convocada o 10 de maio no ensino medio e universitario. Os lemas máis coreados nas manifestacións convocadas conxuntamente por CC.OO. e UGT, e os temas centrais dos discursos dos seus secretarios xerais, xiraron ao redor da reforma laboral e o desemprego ("Máis emprego, menos precariedade" ou "Traballo, dereitos, dignidade") e dos recortes nos servizos sociais ("Servizos públicos de calidade", "Pola igualdade e os dereitos sociais", "Máis investimento e menos recortes" ou "As políticas sociais e a igualdade son principios e dereitos irrenunciables"). As marchas de ambos os dous sindicatos xuntaron decenas de milleiros de persoas en toda Galicia (125 mil segundo os convocantes), sendo as máis numerosas as de Vigo (50 mil persoas) e A Coruña (30 mil), cifras rebaixadas á metade pola policía local. José Antonio Gómez, máximo responsable de UGT en Galicia, advertiu de que se o Goberno "non rectifica e non abre vías de negociación social", a mobilización "vai ser permanente" José Antonio Gómez, máximo responsable de UGT en Galicia, fixo unha "valoración moi positiva" da resposta cidadá nas manifestacións e advertiu de que se o Goberno "non rectifica e non abre vías de negociación social", a mobilización "vai ser permanente". "A desigualdade e situación de emerxencia social é cada vez maior en Galicia, polo que a conflitividade social irá en aumento; a resposta a cada agresión será a mobilización", engadiu en declaracións a Praza. Mentres, José Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral de CC.OO.-Galicia, defendeu que "hai alternativas para a maioría social" e denunciou que "pretenden aproveitar esta crise para desmontar o modelo social", logo de destacar unha vez máis "o rexeitamento claro da cidadanía galega ás políticas de dereitas aplicadas polo PP". A CIG, que ao igual que os outros dous sindicatos maioritarios, convocou a súa marcha central na Coruña, reuniu igualmente milleiros de manifestantes nas súas convocatorias; por exemplo, na da cidade herculina a central nacionalista cifrou en dez mil persoas a participación, unha cifra que a policía rebaixou a tres mil. Alí, Suso Seixo anunciou a convocatoria dunha nova folga xeral para a primeira quincena de xuño, anticipándose, como sucedera nos paros do 29 de marzo, á decisión que poidan adoptar CC.OO. e UGT. Os lemas máis coreados na marcha da CIG foron "folga, folga, folga xeral, contra o Goberno e contra o capital" e "gaña a patronal co pacto social" Respecto a esa convocatoria de folga e á posibilidade de unión sindical, Suso Seixo foi claro en declaracións a Praza. "O importante non son as manifestacións conxuntas, senón coincidir na necesidade da folga", advertiu, ademais de insistir en que "a unidade sindical non se consegue nas mobilizacións, senón no día a día nos centros de traballo". "O importante é ter un mesmo enfoque, ou cando menos semellante, sobre a saída que se lle debe dar á crise, e facer un plantexamento claro de que este modelo económico e social non serve á clase traballadora", engadiu o secretario xeral da CIG, que cre que "aparentar unidade nunha manifestación se no día a día non estamos de acordo sería enganar a xente". A resposta dos dous sindicatos estatais tampouco deixou lugar a dúbidas. O líder de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, considera "precipitada" a convocatoria de folga, xa que, na súa opinión, "aínda está por xestionar a marabillosa resposta da cidadanía ao último paro". "Sen descartar nada, hai outras moitas formas de mobilizarse e o indispensable e necesario sería facelo mediante unha unidade de acción", reclama, tras criticar a "contradición" que ao seu parecer sofre a CIG ao pedir unha folga xeral conxunta e non manifestarse xunto aos outros sindicatos. Sánchez Aguión, líder de CC.OO.-Galicia, coincide no diagnóstico e insiste no "precipitado" da convocatoria da central nacionalista. A CIG cre que "a unidade de acción non se consegue nas manifestacións, senón no día a día dos centros de traballo" Na marcha da CIG, co lema Polo emprego digno, non á reforma laboral do PP, criticáronse igualmente os pactos sociais aos que chegaron outros sindicatos, e chamou aos traballadores a "parar a dereita". Así mesmo, reclamou "competencias e soberanía para Galicia" para "facer política social". Os lemas máis coreados foron "folga, folga, folga xeral, contra o Goberno e contra o capital" e "gaña a patronal co pacto social" nunha marcha que volveu demostrar o crecente poder de convocatoria da CIG na Coruña. "Nunca foi praza fácil para nós pola fortaleza dos sindicalismo español, pero cada vez temos máis introdución social e cada vez máis traballadores ven na CIG unha forma diferente de facer sindicalismo", destacou Suso Seixo, secretario xeral da central. Para o líder da CIG, a manifestación do Primeiro Maio non será nin moito menos a última nestes tempos. "Se as políticas non se deteñen a través da presión social, imos cara a unha conflitividade maior que non sabemos onde vai acabar", advirte, tras insistir en que "sen mobilización non haberá cambio de políticas" porque "quen as aplica estase beneficiando delas". "Desde a CIG pretendemos liderar este rexeitamento, tomar a iniciativa e ser a ferramenta da clase traballadora para tirar abaixo as medidas antisociais", rematou. Por outra banda, máis de mil persoas se manifestaron en Vigo convocadas por CUT, CNT, CGT e STEG. De igual xeito, na Coruña varios centos de persoas acudiron á convocatoria conxunta da CGT e da CUT.
NOS_31540
Mariano Rajoy regresou hoxe a Galiza onde tivera que interromper as súas vacacións hai dez días polos atentados en Barcelona. Falou en Pontevedra diante de dirixentes do Partido Popular para pedir a "algúns responsables políticos" que renuncien aos seus "plans de ruptura, división e radicalismo". Acompañouno Núñez Feijoó, que dixo que "non pode haber partidos nin ideoloxías, nin pequenas batallas absurdas" fronte ás "grandes traxedias".
O presidente do Goberno español participou do acto en Cerdedo-Cotabade co que seu partido inauguraba o novo curso político apenas unhas horas despois de recibir unha mensaxe rotunda de parte da cidadanía catalá. Porén, Rajoy evitou calquera alusión directa aos apupos contra el, o rei e varios membros do Goberno onte en Barcelona. Ao parecer, non lles prestou demasiada atención: "As afrontas dalgúns non as escoitamos", limitouse a explicar. Despois comentou que el estivera onde tiña que estar e sentíase orgulloso de ter acompañado a Felipe VI. Rajoy regresou de Barcelona insistindo no seu discurso. "Estamos aquí para dicir que somos españois, que vivimos nun país libre, que a nosa liberdade pode máis ca seu medo e a democracia non cede ante a barbarie", dixo despois de manifestar que "todas as vítimas do terrorismo son as nosas vítimas". A pouco máis dun mes para a votación do 1 de outubro no referendo de autodeterminación en Cataluña, o presidente do Goberno reiterou as ameazas aos líderes políticos cataláns, a quen pediu que renuncien aos seus "plans de ruptura, división e radicalismo" antes de que o Estado teña que tomar medidas para defender "a soberanía nacional, a Constitución e o Estatuto de Autonomía catalán". Xunto a Mariano Rajoy estivo o presidente da Xunta de Galicia. Alberto Núñez Feijoó confesou que onte en Barcelona sentira "orgullo" de estar ao lado do presidente do Goberno e do Xefe do Estado, e manifestou que "ante grandes traxedias non pode haber partidos nin ideoloxías". Feijoó considerou que "os galegos rexeitamos o política espectáculo, preferimos a política útil", e defendeu a "política á galega", que "significa traballar máis do que se fala" e tamén "lealdade ao resto de España e aos españois".
NOS_53230
A deputada nacionalista Carme Adán pide explicacións ao Goberno sobre o que cualifica "trato discriminatorio" do IGAPE no evento 'Galician Gourmet Extravaganza' que esixe "boa presenza" ás azafatas interpretes entre as empresas galegas e os profesionais ingleses.
O 'Galician gourmet extravaganza' é un tour gastronómico poor diversas cidades europeas para promocionar a calidade da cociña galega e dos produtos no país alén das fronteiras do Estado español. A primeira das citas vén de se realizar en Londres, do 15 ao 18 de outubro, un evento patrocinado pola Xunta, o IGAPE e a Cámara de Comercio da Coruña e con fondos FEDER procedentes da Unión Europea. Para esa cita realizouse unha convocatoria de emprego na que se demandaban "azafatas" para traballar como "intérpretes". Segundo Carme Adán, deputada do BNG no Parlamento de Galiza, entre os requisitos que se lles pedía estaba ter estudos medios, dominar o inglés, ter "don de xentes" e, tamén, demandábase delas que tivesen "boa presenza". O BNG rexistrou unha iniciativa parlamentar na que pregunta polas medidas adoptadas pola Secretaría xeral de Igualdade ante o que cualifica de "trato discriminatorio" ás azafatas interpretes do evento Galician Gourmet Extravaganza . español e inglés e ter "don de xentes". Ademais, a oferta demandaba delas "boa presenza". Reclamación A convocatoria, informa o Bloque, foi denunciada ante o Instituto de la Mujer que a tramitará na Inspección de Traballo. Ademais, a denuncia incorporouse á base de datos do Observatorio de la Imagen de las Mujeres. Na reclamación sinálase que o anuncio é discriminatorio e sexista e estaría vulnerando a lexislación relativa á protección da igualdade. A Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes especifica que "se considerarán discriminatorias as ofertas referidas a un dos sexos, agás que se trate dun requisito profesional esencial e determinante da actividade a desenvolver".
NOS_47764
A súa declaración terá lugar o vindeiro 13 de outubro.
A maxistrada Elena Fernández Currás, responsábel do xuízo polo accidente do tren Alvia en Angrois hai nove anos, anunciou esta quinta feira a posposición até o 13 de outubro da declaración do ex director de Seguridade de Adif no momento do sinistro, Andrés Cortabitarte. Así o comunicou a xuíza ao termo da declaración do maquinista, que escusou pospor a declaración de Cortabitarte até a vindeira semana para que "poida recuperarse" do golpe na cabeza que lle propinou o pai dunha das vítimas mortais de Angrois. O maquinista do Alvia sinala o ex ministro do PP Jorge Fernández Díaz como responsábel da súa detención O calendario previsto polo tribunal reservaba tanto a quinta como a sexta feira para a comparecencia do antigo dirixente de Adif, pero o seu avogado asegurou á xuíza que "aínda segue afectado polo que sucedeu onte [5 de outubro]". "Pedimos que poida declarar a próxima semana", dixo o letrado do ex directivo ao que se lle imputan, xunto co maquinista Francisco Garzón, 80 presuntos homicidios e 145 delitos de lesións por imprudencia profesional grave. Cortabitarte era o encargado de velar pola seguridade na vía. O avogado do maquinista do Alvia sinistrado en Angrois acusa Renfe de "pasar do seu empregado" A xuíza detallou que a declaración do ex director de Adif será "notabelmente máis longa" que a de outras partes implicadas. A continuación, asegurou que "existen días máis que suficientes" para que este interveña ante o tribunal, polo que finalmente acordou aprobar o aprazamento da súa declaración. Modificación do dispositivo policial Precisamente, o dispositivo policial fora modificado para esta segunda xornada do xuízo co obxectivo de tratar de incrementar a seguridade e evitar que se vivisen incidentes semellantes aos da cuarta feira. [VÍDEO] Tensión na saída de Andrés Cortabitarte do xuízo: "Tes as mans manchadas de sangue"
NOS_18515
A escritora xa foi homenaxeada no Día das Galegas nas Letras, impulsado pola Sega, 2022.
As integrantes do Manifesto de Soutomaior, impulsado pola Deputación de Pontevedra, acordaron propor a candidatura da escritora Luísa Villalta (1957-2004) para conmemorar o Día das Letras Galegas en 2023 como "figura inequívoca e pioneira da perspectiva feminista na poesía na Galiza". Villalta xa foi a autora escollida en marzo deste ano pola plataforma de crítica literaria A Sega no Día das Galegas nas Letras 2022, por ser unha das escritoras chave na transición entre as xeracións poéticas dos 80 e dos 90. Luísa Villalta, a homenaxeada no Día das Galegas nas Letras 2022 "Celebrámoste desde ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo, dese pobo que foxe de si mesmo, dunha literatura, dunha lingua, no foro da cultura. Ti, na liberdade, da contra-ética do poder", indicaba A Sega nun manifesto. Agora, a Deputación de Pontevedra presentará ante a Real Academia Galega (RAG) a candidatura da escritora para que sexa Luísa Villalta quen suceda Florencio Delgado Gurriarán como persoa homenaxeada polo Día das Letras Galegas. Luísa Villalta A escritora naceu na Coruña en 1957. Estudou na USC, na que se licenciou en Filoloxía Galego-portuguesa e Hispánica. Formou parte da Xove Orquestra da Galiza e da Orquestra de Santiago de Compostela, así como doutros grupos de cámara. O testamento poético de Luísa Villalta Na poesía debutara con Música Reservada (Ediciós do Castro, 1989). Despois, deu ao prelo Ruído (Espiral Maior, 1995), Rota ao interior do ollo (Ediçoes Tema, 1995) e En concreto (Espiral Maior, 2004), talvez a súa obra máis acabada. Lembrar Luísa Villalta, poeta "de inequívoca pegada feminista" Faleceu en 2004, con 46 anos, a causa dunha afección cardíaca. De maneira póstuma publicouse Papagaio, a súa última obra, acompañada de fotografías de Maribel Longueira.
PRAZA_10635
O presidente obvia no seu discurso de entrega das Medallas de Galicia o accidente de Angrois, o motivo aducido hai cinco anos, malia o rexeitamento das vítimas, para adiantar esa única celebración institucional
O presidente obvia no seu discurso de entrega das Medallas de Galicia o accidente de Angrois, o motivo aducido hai cinco anos, malia o rexeitamento das vítimas, para adiantar esa única celebración institucionalDesde a chegada de Feijóo á presidencia do Goberno galego a entrega das Medallas de Galicia veuse convertendo no único acto oficial organizado pola Xunta co gallo do Día Nacional de Galicia. Un acto que ademais, desde hai cinco anos, nin sequera se celebra o 25 de xullo senón que foi adiantado ao 24 aducindo unha suposta homenaxe ás vítimas do accidente de Angrois ocorrido nesa xornada, recoñecemento que a plataforma de afectados rexeita. Este mércores día 24 Feijóo converteu esa única celebración oficial do Día Nacional, xa sen ningunha referencia no seu discurso ao accidente que motivara o seu adianto, nunha homenaxe ao "noroeste español", coa entrega dos galardóns aos ex-presidentes de Asturias e Castela e León Javier Fernández e Juan Vicente Herrera.Feijóo presentou a propia entrega das medallas aos presidentes autonómicos cos que máis coindiciu nos últimos anos como "un oasis no medio do deserto político que levamos transitado hai xa demasiados anos en España"Na súa estratexia dos últimos anos de intentar liderar alianzas de varias comunidades autónomas para reclamar diversas cuestións ante Madrid, Feijóo optou este ano por entregar as Medallas de Galicia aos xa ex-presidentes cos que máis coincidiu nos últimos tempos. Feijóo presentounos, identificándose con eles, como políticos de Estado afastados do conflito permanente no que fixo ver que está instalada España. O presidente chegou a dicir que a propia entrega das medallas deste ano supón "un oasis no medio do deserto político que levamos transitado hai xa demasiados anos en España".Ese "oasis" da política estatal é o único acto oficial da Xunta polo "día grande de Galicia", segundo a expresión de Feijóo, que eludiu a oficial de "Día Nacional de Galicia" establecida en 1979 no Diario Oficial de Galicia. Un acto que tradicionalmente sempre se celebrou o propio día 25 pero que tras o accidente de Angrois ocorrido o 24 de xullo de 2013, en 2014 o Goberno galego decidiu adiantar a esa xornada previa. Fíxoo, argumentou, como homenaxe ás vítimas do sinistro, ás que entregou ese ano as medallas, xunto cos veciños de Angrois e os servizos de emerxencias. Porén, a plataforma de vítimas, que rexeitou aqueles galardóns, vén criticando o que considera un intento de tapar con actos institucionais as reclamacións de xustiza e actos de lembranza dos falecidos que celebran nesa mesma data.Ata este ano todos os discursos do presidente nesas entregas das medallas do día 24 viñan incluíndo unha mención expresa ao accidente de Angrois ou ás vítimas, pero este ano nada hai nese discurso ao respecto do motivo que fixo que a Xunta xa non celebre nin un só acto oficial o Día Nacional de Galicia.
NOS_52772
O vindeiro 17 de decembro entregaranse en Pontevedra as estatuiñas da segunda convocatoria dos Premios Martín Códax da Música aos que optan 54 finalistas que se deron a coñecer nunha festa en Cambados. O único garantido é o Premio Honorífico á banda de rock progresivo N.H.U.
Nunha festa nas instalacións das Bodegas Martín Códax, en Cambados, déronse a coñecer os finalistas ás distintas categorías dos Premios da Música convocados por Músicos ao Vivo. Nesta nova edición foron 360 os proxectos presentados o que demostra, segundo o voceiro de Músicos ao Vivo, Xacobe Martínez Antelo, a "implicación dos músicos galegos unha vez máis neste proxecto ilusionante". Destacou tamén que a páxina web dos premios xa está consolidada como a "plataforma de música galega máis importante do momento". Ataque Escampe, Silvia Penide e Los Chavales optan na categoría pop e indie; Cró, Narf Trío e The Cornelius a rock; Cats and Monkeys, Bakin Blues Band e Víctor Aneiros a blues, funk & soul; Sumrrá, Felipe Villar Trío e Xan Campos Trío a jazz e músicas improvisadas; Wöyza, Som do Galpom e Aid a hip-hop e músicas urbanas; Orquestra Vigo 430, Sounding Images e Samuel Diz a música clásica e contemporánea; Vaamonde, Lamas e Romero, Cuarteto Caramuxo e Caxade a folque; Treixadura, Davide Salvado e Malvela a música tradicional galega; Dos fíos invisibles chegan as cores, Trilitrate e 2uS a músicas do mundo; aCadaCanto, Xoel López e Xoán Curial a canción de autor; Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc, Xiqui Xoque Fiú Fíu e Golfiños a música infantil; Sub Rosa, Pálida e Chrysalid9 a electrónica; Aphonnic, Nao e Machina a metal, Zamaramandi, Dakidarría e Transilvanians a reggae, ska e mestizaxe e Os Modernos, Los Satélites e Claxxon a orquestras, grupos e músicas de verbena. Tres son tamén as salas que inauguran a nova categoría dos Premios da Música, a Aturuxo, a Garufa Clube e a Capitol mentres que Espazos Sonoros, Festigal e Festival Sinsal Son Estrella Galiza son os finalistas da ampla xeografía de festivais musicais do país. GZMúsica, Planeta Furancho e Tres Peixes Voando teñen opcións de recoller o primeiro dos premios á comunicación musical.
NOS_34636
É orixinario do Senegal pero leva xa 14 anos residindo no Estado español. Achegouse até os cinemas Númax, en Compostela, para participar no programa Compostela + Solidaria, que organiza a Coordinadora Galega de ONGD (Organización Non Gobernamental para o Desenvolvemento) xunto ao Concello. Thimbo, que é actor, veu presentar Makun (non chores). Debuxos nun CIE, un documental de animación que recolle os milleiros de debuxos que os emigrantes deixan nos Centros de Internamento para Estranxeiros (CIE).
Cóntenos como foi a súa participación no filme Makun (non chores)?É un documental que trata sobre os CIE. Eu participei como actor pero non só por ser o meu oficio, senón tamén porque son activista en contra da discriminación e quería contar esa historia. Para min o proxecto constitúe unha razón máis para xustificar o feche deses centros, porque reflicte o que realmente se vive nos CIE e para min é unha forma de denunciar. Son, en realidade, cárceres racistas, non deben existir e estamos a pagar os nosos impostos para mantelos. O que quero dicir é que aquí en Europa, no primeiro mundo, no mundo civilizado estase a consentir que existan campos de concentración. Antes de chegar á Península, estivo vostede nun CIE?Estiven no de Tenerife durante 18 días e foi horríbel. Todos eses días sen ducharnos, non había auga quente e, de feito, estaba tan fría que até nos custaba lavar a boca. A comida non é que estivese mal pero acababamos de chegar... as culturas son moi diferentes, os sabores eran demasiado distintos... non nos sabía como debería e, polo tanto, comiamos mal. Despois dos 18 días leváronme a Madrid e de alí eu fun para Valencia, onde tiña un primo. Pero non había traballo, así que botei tres meses vivindo na rúa até que vin que tiña que saír adiante... E foi o que fixen. Canto tempo leva vivindo no Estado español?Xa levo 14 anos. Dedícome á interpretación e tamén a crear contidos para as miñas canles nas redes. Nelas, empecei a falar do racismo e da miña experiencia dunha maneira seria, pero o discurso empezou a chegar á xente unha vez que introducín un toque de humor. E non é fácil para min denunciar actitudes racistas con humor, non sempre é sinxelo pero hai que seguir rompendo as barreiras. Que lles diría ás persoas que son racistas? Eu vin aquí na busca dunha vida mellor pero tamén tiven que vir por causa do saqueo dos nosos recursos, da riqueza do meu país. Era pescador nun pobo do sur do Senegal e vía como os barcos de Occidente viñan pescar no noso mar e levar o noso peixe. Cando ves iso todos os días sabes que o día de mañá non terás traballo. Sempre digo, se queredes que non veñamos, o que tedes que facer é deixar de saquear os nosos recursos, deixádenos en paz e nós deixaremos de vir aquí. Durante estes 14 anos, viviu moito racismo? Tamén no mundo do cine? O racismo está en todas partes. Padecino cando vivín na rúa, cando traballei, no cine... porque cantos actores negros se coñecen no Estado? E hai actores negros. Dise que aquí é moi recente a emigración pero iso non é certo, nós xa somos a segunda xeración e hai unha terceira, así que, polo menos, o Estado leva 40 anos recibindo emigrantes negros. No cine sempre facemos de 'negros', persoas pobres que acaban de chegar, e xa deberiamos estar a falar de actores negros que protagonizasen unha historia. Coida que é posíbel acabar coa discriminación? A única maneira de superar o racismo no cine, por exemplo, é traballar en conxunto. Da mesma maneira que fixo no seu día Emilio Martí, o director de Makun... El quería facer un documental sobre o racismo e preguntounos a nós, ás persoas que o vivimos. A realidade é que, até deixarmos de ver a diferenza como un perigo, teremos un problema. A diferenza debe unirnos e non separarnos.
PRAZA_11601
Sanidade alude para xustificar o peche da sala de partos á recomendación de "non dotar de maternidade" hospitais con menos de 600 partos anuais, cifra que non cumpre ningún comarcal de Galicia. A guía na que se apoia tamén di que ese limiar non é aplicable "se hai razóns de tempos de desprazamento ou accesibilidade".
As protestas seguen en Verín, onde cidadanía e persoal do hospital comarcal continúan co peche indefinido desde que o Sergas cerrou de vez a atención aos partos e o servizo de urxencias pediátricas. Cun funeral simbólico volveron reclamar este mércores a permanencia do paridoiro, que a Xunta di pechar para garantir a "seguridade e calidade asistencial" ante a suposta "falta de pericia" dos profesionais de xinecoloxía, obstetricia e pediatría derivada da baixa natalidade e do menor número de nacementos na área de influencia. Sanidade alude á recomendación de "non dotar de maternidade" hospitais con menos de 600 partos anuais, cifra que non cumpre ningún comarcal de GaliciaO Sergas asegura que haberá uns 60 partos ao finalizar este ano, pero persoal do hospital aclara que o número sería moito máis alto --ata un cento-- de atenderse todos os nacementos previstos e non derivarse a Ourense casos que non terían por que seren atendidos fóra. A Consellería alude, continuamente, ao "consenso" de profesionais e sociedades científicas, que recomendarían "non dotar de maternidade" a aqueles hospitais que non cheguen a 600 partos anuais, unha cifra que non alcanza ningún centro comarcal en Galicia e que a área de influencia do hospital de Verín non alcanzou nunca na historia do centro. Nin tan sequera chegou a un terzo desa cifra desde que en 1994 foran inaguradas as instalacións, tal e como reflicten os datos de nacementos do Instituto Galego de Estatística (IGE). O Goberno galego basea a súa argumentación nunha guía elaborada por varios expertos --algúns deles de asociacións que rexeitan a decisión do Sergas-- para o Ministerio de Sanidad en 2009. É o informe Maternidad Hospitalaria. Estándares y Recomendaciones, do que o propio Ministerio advirte que "non ten un carácter normativo para a autorización de apertura e/ou o funcionamento deste tipo de unidades". "É unha guía máis das moitas que existen, desde as da OMS ata as do Sergas", explican profesionais do centro de Verín. Sexa como for, nesta guía establécese que "parece prudente non dotar de Maternidade Hospitalaria a aqueles hospitais que non teñan un área poboacional de referencia (ou cuxo estudo de mercado non prevea) que xere unha demanda superior aos 600 partos ao ano", pero engade unha excepción a esta recomendación: "que razóns de tempos de desprazamento ou accesibilidade así o aconsellen". Tal e como advirte Javier Castrillo, xefe de Obstetricia e Xinecoloxía do Hospital Comarcal de Verín, ou profesionais do servizo de matronas, a guía refírese unicamente "á posible apertura dun centro hospitalario", pero non á permanencia ou non dos xa existentes. Ademais, fai referencia explícita a "tempos de desprazamento ou accesibilidade" que aconsellen mesmo abrir instalacións que permitan unha atención ao parto máis achegada. A guía á que alude a Xunta aclara que o mínimo dos 600 partos non é aplicable "se hai razóns de tempos de desprazamento ou accesibilidade" que recomenden abrir un hospitalAgora, calquera muller da área de influencia do hospital de Verín e da comarca de Monterrei verase obrigada a viaxar sobre unha hora ou máis en coche ata o CHUO de Ourense. Con todo, e aínda tomando como recomendación o que é unha proposta sobre "organización e xestión", non hai hospital comarcal ningún que alcance eses 600 partos anuais dos que fala a guía. Nin tan sequera o do Salnés, en Vilagarcía, onde naceron menos de 600 pequenos en 2018. O Barco superou por pouco os 100, o de Cee os 200, mentres que en Burela e Monforte pasouse de 300. En Verín roldaron os 90, unha cifra que os profesionais do centro aseguran que se mantería en 2019 de non multiplicarse as derivacións coa chegada de pediatras de garda desde Ourense. A área de influencia do hospital inclúe os concellos de Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós e Vilariño de Conso. A baixada na natalidade é constante nas últimas décadas. Ningún municipio, como se pode observar no gráfico anterior, resiste ante o despoboamento e o baixo número de nacementos, problema que a cidadanía mobilizada advirte de que irá a peor de seguir recortándose en servizos esenciais como a atención aos partos nunha zona duns 30.000 habitantes. Desde que se inaugurou o hospital, en 1994, nunca se alcanzaron nin os 200 nacementos na área de influencia do centroDesde que se inaugurou o hospital comarcal, en 1994, nunca se alcanzaron nin tan sequera os 200 partos anuais na súa área de influencia, en ningún dos anos. Tendo en conta que non todos os partos foron atendidos en Verín, as cifras de nacementos nese centro aínda foron menores. O que daquela era normal e non impediu que se gabase o servizo ou se investise nel, agora semella ser un atranco insalvable. Pero a Xunta non recúa e a cidadanía segue a mobilizarse. Traballadores do hospital, acompañados por veciños da comarca, realizaron este mércores un funeral simbólico en memoria dos servizos pechados ultimamente. Durante o responso fíxose referencia ao peche do servizo do paridorio, as urxencias pediátricas, dermatoloxía, medicina interna, coidados paliativos e, proximamente, a cociña. Algunhas mulleres portaron necrolóxicas e houbo mesmo un cadaleito e varios centros e lápidas coa mensaxe, ademais dun home disfrazado de cura que alertou da "morte en materia sanitaria" á que se enfronta o rural ourensán.Baltar: "A política son máis que criterios técnicos"A decisión da Xunta de pechar a atención aos partos está a provocar a indignación maioritaria da cidadanía, especialmente do rural da provincia de Ourense. Tanto é así que xa provocou unha importante división dentro do PP. O presidente provincial dos populares na provincia e presidente da Deputación, Manuel Baltar, pediulle este martes á Xunta de Galicia que "rectifique" esta decisión.Así, Baltar volve desmarcarse de Feijóo, a quen dixo que trasladaría "a decisión de porse en contra do peche do paridorio do Hospital de Verín". "Unha vez se produce a realización efectiva da medida, como representantes públicos temos a obriga de defender os intereses de Ourense por riba de calquera outro", dixo."Non estamos a falar de ampliar servizos sanitarios que non existían, senón de manter os que xa había", advirte BaltarMalia que dixo entender que "tecnicamente é posible xustificar a medida", aludiu a que nesta decisión tamén entra en xogo "o corazón". "O sentimento da xente vímolo o pasado sábado nas rúas de Verín e recibímolo nas semanas anteriores cando se deu a coñecer a decisión", advertiu. "A política é algo máis que criterios técnicos", insistiu. "Desde o minuto un compartimos a decisión de non aceptar esta resolución do Goberno autonómico", sinalou Baltar, en alusión á unión que mostraron os alcaldes de todas as formacións políticas, incluído o PP, pertencentes á comarca de Monterrei. "A política ten que salvar estas situacións, non estamos a falar de ampliar servizos sanitarios que non existían, senón de manter os que xa había", concluíu.Na mesma liña, o pleno do Concello de Verín aprobou este mércores por unanimidade de todos os grupos presentes na institución (PSOE, BNG e PP) unha declaración institucional contra o peche do paridoiro. O texto, que será enviado á Consellería de Sanidade, manifesta un "rexeitamento frontal" á decisión relativa ao hospital verinense e mostra o seu "apoio ou recoñecemento a todos os profesionais da sanidade pública" que desenvolven o seu labor alí, con "gran eficiencia e profesionalidade".Ademais, tres matronas, algunha embarazada e o xefe de Obstetricia de Verín, Javier Castrillo, entrevistáronse á tardiña coa Valedora do Pobo, María Dolores Fernández, ademais de acudir como público ao Palamento Galego, onde o peche da atención aos partos foi un dos temas polémicos nesta xornada de pleno.
NOS_36176
A Consellaría segue a manter os concertos a centros de educación que segregan o alumnado por sexo tal e como aparece no DOG publicado este 21 de agosto de 2017. A CIG denuncia que esta orde, do 10 de agosto, sexa publicada en pleno período de vacacións e ve neste feito unha clara intención de que pase desapercibida para a sociedade galega.
CIG-Ensino censura, aliás, que se fixe a duración dos concertos en seis anos cando isto só é preceptivo para o ensino privado e sinalan que, en facendo isto, a Xunta de Galiza vai máis alá da LOMCE na defensa do ensino concertado. Dende o sindicato nacionalista afirman que a Consellaría está a realizar recortes sistemáticos, inxustificados e inaceptábeis no ensino público, suprimindo centros, unidades e profesorado mentres favorece os centros que segregan o alumnado por razón do seu sexo, publicamente vinculados co Opus Dei. Recordan ademais que estes concertos se mantiveron de xeito contrario á lei no seu momento. Os colexios que segregan por sexo na Galiza son os centros privados concertados de Aloia, Las Acacias, Montecastelo, Montespiño e Peñarredonda.
NOS_58049
No que vai ano, Seaga eliminou 2.238 niños.
A Xunta presentou esta sexta feira unha nova ferramenta para notificar ás autoridades a presenza de niños de velutinas nos fogares e espazos forestais próximos aos núcleos habitábeis do país. A Xunta retirou 14.651 niños de velutina no que vai de ano Trátase dun chat automático, xestionado por un bot, que funcionará como opción complementaria ao Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012. Contará cun sistema de respostas "pechadas" co que se pretende axilizar e facilitar a notificación de presenza destes animais. O servizo estará dispoñíbel as 24 horas do día durante todo o ano, e poderá accederse a el a través da extensión da páxina web da Xunta ao servizo do 012. Serve o modelo balear para erradicar a velutina na Galiza? En canto ao Teléfono 012, desde este sábado e até mediados de setembro a liña específica para os niños de velutinas estará aberta todos os días da semana de 8 a 20 horas. O resto do ano, atenderá só de segunda a sexta feira, de 8 a 17.30 horas. 2.238 niños eliminados Desde o comezo de ano, Seaga, a empresa pública contratada polo Goberno galego para levar a cabo as tarefas de control e erradicación dos niños de velutina, eliminou 2.238 destes. Deles, algo máis de 2.000 estaban situados na metade oeste do país. Apicultores reclaman á Xunta máis coordinación na retirada de velutinas Neste sentido, a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, incidiu na importancia da colaboración cidadá e a "necesidade" de que contacten co teléfono 012 cando detecten un niño de velutinas e informen da súa presenza, co "obxectivo de minimizar o seu impacto e frear o seu avance na autonomía". Nunha conversa con Nós Diario en abril deste ano, a integrante do grupo de Bioloxía Ambiental da UVigo Sandra Rojas expuxo as problemáticas derivadas da presenza das velutinas na Galiza, tanto económicas como sanitarias. Sandra Rojas Nossa: "Hai casos de morte por velutina en non alérxicos" "Na Galiza incluso temos casos de mortes causadas polas picadas de velutina, e non necesariamente en persoas alérxicas. Ao sufrir múltiples picadas dun veleno tan poderoso como o da velutina, hai consecuencias na saúde. Na maioría dos casos a morte prodúcese en persoas maiores", detallou.
NOS_21037
Oculto entre os parasois da terraza dunha cafetaría. Así se encontraba a estatua en Ourense do popular personaxe creado por Xosé Lois González Vázquez.
"A miseria mental do dono da cafetería que ocupou o espazo do Carrabouxo só é equiparábel á de alguén tan politicamente desprezábel, culturalmente vacuo e persoalmente acomplexado como o alcalde de Ourense [Gonzalo Pérez Jácome]. O primeiro por cometer esta aberración, o segundo por autorizala e consentila". Así denunciaba Moncho Boán, nunha entrada no Facebook, a esperpéntica situación en que se encontra en Ourense a estatua do Carrabouxo, o popular personaxe creado por Xosé Lois González Vázquez. Tal e como se pode apreciar na fotografía que acompaña esta noticia, obra de Xoana Catalina Baltar Romanos, a 'conquista' do espazo público por parte das terrazas dos bares non entende nin de estatuas nin de símbolos e deixou a estatua do Carrabouxo tapada polos parasois que estes días serven para que os clientes se fornezan da chuvia. "É lamentábel", sinalou o propio pai do Carrabouxo. "O grupo municipal do BNG fixo unha pregunta e contestáronlle que sancionarían os responsábeis", engadiu, e dixo descoñecer máis detalles. "Vou ter que recorrer ao xulgado como afectado e reclamar danos morais", apuntou, xa que considera que "infrinxen as ordenanzas, a lei de protección de monumentos e a lei de propiedade intelectual". Anoxo e piropos Nas redes sociais, manifestouse con numerosas mensaxes o anoxo pola situación. Por exemplo, Carlos Silvestre López considerou que "é un insulto ao autor, á obra e aos ourensáns", e Zoila Chao afirmou que é "unha tristeza ver a estatua así". Mais tamén houbo piropos para o protagonista: "Ao Carrabouxo todo lle queda ben... que lles dean!!!", apuntou Xulia Fernández Caderno.
NOS_49222
O presidente da Xunta presenta a sesión como un punto de inflexión na súa xestión de goberno mentres a oposición tentará afearlle o discurso. Esta cuarta feira apartir das 10 h.
Esta cuarta feira (14 de outubro) comeza o debate sobre o estado da nación, unha tripla xornada, quizais a máis importante de toda a lexislatura, que marcará a pistolada de saída cara á última etapa do goberno de Feijóo. A 'derradeira' en verbas do voceiro parlamentar do Bloque, Francisco Jorquera. As decisións adoptadas polo propio presidente da Xunta nos últimos días, marcadas pola destitución de Rocío Mosquera á fronte de Sanidade e unha profunda remuda no executivo, reflicten que até o Partido Popular concibe esta sesión plenaria como un punto de inflexión. As forzas da oposición planean o debate como unha "moción de censura" e confrontarán o discurso oficial de "recuperación" coas críticas á xestión de goberno e a denuncia das consecuencias sociais que carrexou para Galiza. Entrementres, Alberto Núñez Feijóo aproveitará o debate sobre o estado da nación para anunciar novas medidas como "a maior rebaixa de impostos feita nunca nuns orzamentos autonómicos de Galiza", sinalan desde o PP. Anuncios que combinará cunha "reflexión" sobre o debate territorial. Aliás, Feijóo defenderá os cambios introducidos no executivo amparándose no discurso dunha nova etapa económica que viría determinada por un período de "expansión". A oposición tentará afearlle o discurso da "recuperación" a Feijóo quen inzará de anuncios a súa intervención Desde o PSdeG aseguran que a intervención do presidente será un "espectáculo de anuncios" dun mandatario "desacreditado" e "amortizado". Pola súa banda, AGE tentará facer "unha leitura do acontecido" neste tempo, segundo Yolanda Díaz. "Feijóo tomou a lección de que vai perder as eleccións e tenta distraer", asegurou a vice-voceira após a Xunta de portavoces decorrida a pasada semana. Así mesmo, desde o BNG Francisco Jorquera, avanzou que a súa intervención será formulada como unha "moción de censura" na que combinar as críticas ao goberno con "propostas", "compromisos concretos e verificábeis". A organización frontista levará ao pleno as demandas recompiladas no Parlamento popular organizado semanas atrás e no que movementos sociais e representantes de sectores ben (mar, agro, preferentistas, feministas...) trasladaron ao BNG as cuestións que coidaron de interese para elevar ao pleno. Tamén AGE apuntou as liñas que centrarán a súa intervención dirixida a denunciar a "corrupción" como "sinal de identidade"; o "saqueo" padecido polas administracións públicas, o "despedimento de traballadores", a "desindustrialización masiva" do país e o "ataque" contra o persoal público e "as mulleres", explicou Díaz. O 15 de outubro presentaranse as propostas de resolución, non máis de 200 Estrutura da sesión A estrutura das sesións, que serán maratonianas, comezarán esta cuarta feira por volta das 10.00h cunha intervención sen tempo limitado para Feijóo. Previsibelmente ocupará toda a mañá e cederá a quenda de palabra ás forzas da oposición durante a tarde. Trinta e cinco minutos por grupo e 10 minutos de réplica para o presidente. Feijóo poderá acumular as respostas nunha intervención global face o conxunto da oposición ou, como reclamou o BNG, poderá dirixirse por separado a cada unha das forzas políticas representadas no Parlamento. Durante o 15 de outubro presentaranse as propostas de resolución, non máis de 200 cuxas transaccións deberán ser acordadas antes das 22.30h dese mesmo dia. Así, o 16 serán debatidas no pleno e votadas.
NOS_10680
O Tribunal Supremo acaba de confirmar a pena imposta no seu día pola Audiencia Nacional ao narcotraficante Marcial Dorado por branquear capitais provenientes do tráfego de estupefacientes. Son 6 anos de prisión.
Marcial Dorado é un nome indisolubelmente ligado á biografía política de Alberto Núñez Feijóo desde a publicación en marzo de 2013 dunha información por parte de El País en que se daba a coñecer a relación de amizade que mantiveron a mediados dos anos 90. Na época en que eran amigos e partillaban viaxes en iates, Marcial Dorado xa fora detido dúas veces acusado de contrabandista -en 1990 polo xuíz Garzón dentro da Nécora- e Feijóo era unha figura ascendente no PP e en diferentes escalóns da administración pública, desde a galega á estatal. Feijóo sempre negou que coñecese as actividades ilegais de Dorado. Porén, esta amizade -non a única perigosa do presidente, íntimo tamén de Pachi Lucas, o conseguidor da Operación Zeta.- acabou por se tornar nun atranco para as súas opcións de facer carreira política no Estado. O Supremo vén agora confirmar a sentenza da Audiencia Nacional a Marcial Dorado en relación ao branqueamento de diñeiro procedente do narcotráfico. Aliás, anula a súa absolución polo delito de revelación de segredos. A condena carrexa tamén o pagamento dunha multa por valor de 21,5 millóns de euros.
NOS_42268
ODS de Coia (Vigo) considera que coa desculpa de buscar ''fraudes'' estase a acosar a persoas que perceben a renda de integración social.
A Oficina de Dereitos Sociais (ODS) informa de que persoas perceptoras de Risga (Renda de Integración Social) están a recibir nas súas moradas "a inesperada visita" de inspector@s da Xunta de Galiza. Funcionari@s, indican, que "sen previo aviso" fan acto de presenza para contrastar datos de expedientes e que "preguntaban e pedían documentación sobre aspectos tan diversos como: selado do paro, ingresos dos membros da unidade familiar, estado dos trámites de divorcio…". Esta oficina considera que coa escusa de "controlar" posíbeis casos de fraude dentro dos perceptores da Risga a Xunta "obriga a pasar a moitas persoas por unha nova rolda de recoñecemento, volvendo a preguntar por datos e a pedir explicacións sobre feitos que coñecen dabondo". "Lembramos que esta renda nestes momentos está marcada pola restritiva aplicación dunha nova lei sen desenvolver, polos elevados meses de agarda, por contías de miseria, por cobertura social ridícula…". A ODS engade: "Está moi ben que a Xunta se preocupe por como se empregan os cartos de todas, pero en vez de sinalar ás persoas máis vulnerables economicamente, aconsellamos que comece mellor por controlar ás grandes fortunas e empresas e o seu abano de medios para evadir impostos". A Oficina de Dereitos Sociais apreséntase a si propria, na súa web, como un "punto de información sobre dereitos sociais" e que, desde setembro de 2007, funciona "coa vontade de ofrecer información alternativa sobre axudas sociais, visualizar/denunciar o empobrecemento e artellar respostas colectivas fronte ao capitalismo".
PRAZA_3480
O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta será recibido por Alberto Fernández e manterá un encontro coa histórica entidade da emigración, na que Feijóo causara especial malestar o pasado 2019 ao non visitala durante unha estancia en Bos Aires. Na actualidade residen na Arxentina un total de 165.334 persoas con dereito ao voto nas eleccións do 5A
A política galega volve cruzar o Atlántico, desta volta da man do aspirante do PSdeG á presidencia da Xunta. Gonzalo Caballero disponse a viaxar á Arxentina nunha visita preelectoral con citas xa habituais neste tipo de viaxes, pero dúas delas de especial significado político: será recibido polo novo presidente do país, Alberto Fernández, e por responsables do histórico Centro Gallego de Buenos Aires.O candidato do PSdeG será recibido na Casa Rosada polo presidente Alberto Fernández, que venceu nas urnas a Mauricio Macri, aliado do PP e a quen Feijóo dedicou múltiples eloxios durante o seu mandatoTal e como adiantou o arxentino Diario Crítico e confirman fontes socialistas consultadas por Praza.gal, a axenda de Caballero na Arxentina desenvolverase durante o 5 e 6 de marzo, xoves e venres desta semana. A apenas dúas semanas do comezo da campaña electoral e ás portas do peche do prazo para a solicitude do voto para o electorado rexistrado no Censo de Residentes Ausentes (CERA), a axenda do líder do PSdeG inclúe dúas citas que semellan encamiñadas a contrastar cos actos protagonizados polo candidato do PP á reelección, Alberto Núñez Feijóo, nas súas últimas estancias no país austral.No Centro Gallego causou especial malestar que Feijóo os obviase na súa visita á Arxentina en setembro de 2019Así, confirma o PSdeG, Caballero será recibido na Casa Rosada polo kirschnerista Alberto Fernández, que no outono de 2019 venceu nas urnas ao dereitista Mauricio Macri, aberto aliado do PP na Arxentina e a quen Feijóo dedicou múltiples eloxios no seu mandato. Fernández, pola contra, mantén boas relacións co PSOE e tamén con Unidas Podemos.Feijóo e Macri mantiveron múltiples encontros oficiais nos últimos anos. O último, o pasado setembro, nunha viaxe do actual presidente da Xunta que suscitara especial malestar no que será outro dos destinos desta viaxe de Caballero, o Centro Gallego de Bos Aires.Aquela viaxe de Feijóo producírase poucos meses despois de que o Centro Gallego se vise abocado a perder a súa histórica sede un século despois tras media década intervido polo Estado arxentino entre unha débeda inmanexable. Tras un complexo proceso, os emigrantes lograron evitar a quebra do Centro, manter a atención sanitaria para os seus socios e salvar integramente o valioso legado cultural da institución. Na actualidade residen na Arxentina un total de 165.334 persoas con dereito ao voto nas eleccións do 5ADespois de que, durante anos, os dirixentes do Centro Gallego se laiasen de atoparen escasa colaboración na Xunta para salvar o seu legado, o feito de que Feijóo non os incluíse na súa estancia na Arxentina causou especial indignación no colectivo. "Manuel Fraga ou Pérez Touriño... a ningún presidente se lle ocorría pasar por Bos Aires e non visitar o Centro Gallego", resumiran en declaracións a Praza.gal, lembrando ademais que nos últimos anos si recibiran visitas oficiais de representantes doutras cores políticas, como a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en novembro de 2018 ou o ex-alcalde de Santiago, Martiño Noriega, en 2016.A viaxe de Gonzalo Caballero á Arxentina incluirá ademais outros encontros. Así, confirma o PSdeG, estará tamén no Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol e visitará o Centro Galicia. Nas instalacións deste centro celebrará o acto máis estritamente preelectoral, cun mitin tras atoparse con militancia do PSOE de Buenos Aires.Segundo o CERA, na actualidade residen na Arxentina un total de 165.334 persoas con dereito ao voto nas eleccións do 5A, case 10.000 máis que hai catro anos. Daquela, cando xa estaba vixente a reforma electoral que implica solicitar especificamente o voto dende o estranxeiro en cada elección, a participación do exterior foi escasa. Non obstante, non é desbotable que, nun contexto de resultados axustados, o voto CERA puidese chegar a ser determinante para asignar o escano final dalgunha provincia, como xa sucedeu en Asturias no ano 2012.
NOS_4823
Mantar é un dúo alemán que foi quen de revolucionar o panorama do Sludge Metal, esa mistura do Doom co Punk, con cada un dos seus traballos a cada cal máis prometedor. The Spell chega neste 2017 como un dos traballos máis agardados do xénero.
Death by Burning sorprendeume no 2014 e Ode to the Flame deixoume incompleto no 2016. Agora en 2017 volvo ter esa mesma sensacion de falla de saciedade tras escoitar The Spell. Se os Lp xa me facían curtos, un EP pásaseme nun suspiro cando se saborea cada compás. Este é un traballo no que o primeiro que destaca é a portada, obra unha vez máis de Aaron Wiesenfeld, que nos deixa un inquietante retrato en branco e negro dun neno disfrazado de demo cunha profunda mirada perdida que parece chegado do Hades. Wiesenfeld foi tamén o responsábel da portada de Death by Burning. Erinç Sakarya toma coa súa batería o control de Pest Crusade, dende o primeiro segundo que comeza a soar o disco. Cunha frenética e vibrante muralla de son, dan o aviso, batendo no peito do oínte, de que Mantar está de volta e fano cun tema no que os aires groove déixanse ver para acompañar a voz de Hanno Klänhardt, chegada do mesmo inferno. Con Age of the Vril, Mantar volve ao Sludge máis puro, ese que tan ben coñecen e son quen de facer só na parte instrumental, especialmente no estilo dos riffs¸ xa que no que nas letras se refire o dúo alemán está no punto oposto de The Melvins, sendo moito máis escuras, máis propias dun funeral que dunha festa. The Spell e outro trallazo Sludge, case me atrevería dicir que é o mellor do disco. Conta coa colaboración do suízo Okoi Jones¸ da banda Bölzer, con que conseguen crear un dueto vocal que pasará á historia. Curiosamente, este foi un dos primeiros temas que gravara Mantar nunha maqueta alá polo 2013, é que soa coma o mais actual de todos, cunhas guitarras afiadas e violentas que non deixan indiferente ninguén. The Spell é a continuación de Ode to the Flame, e unha reivindicación firme do Sludge como xénero que está cada vez máis vivo. Do mesmo xeito que me ocorreu co seu anterior traballo, fico con ganas de máis, como se de unha estraña adicción me posuíse cada vez que escoito un novo disco deste dúo xermano. MANTAR NAS REDES WEB: http://www.mantarband.com/ FACEBOOK: https://www.facebook.com/MantarBand TWITTER: @mantarband LISTAXE DE TEMAS 1.-Pest Crusade 2.-Age of the Vril 3.-The Spell
PRAZA_18410
VIDEO | Formaban parte dun piquete informativo na planta de Cabomar (Marín). A terceira xornada de paros mantén un seguimento moi elevado. Os sindicatos acusan á patronal de "intransixencia" e pídenlle á Xunta que interveña para buscar unha solución.
VIDEO: Intervención policial en Cabomar (Marín) Aumenta a tensión na folga no sector de elaborados do mar. A terceira xornada desta histórica mobilización comezou cunha intervención policial contra un piquete informativo que realizaba o seu labor na planta de Cabomar, en Marín. A actuación policial, que buscaba permitir a entrada na factoría dun grupo de empregados e empregadas (a maioría temporais), provocou contusións en varias das traballadoras que se atopaban concentradas na porta, resultando feridas tres delas, e sendo dúas trasladadas ao hospital nunha ambulancia do 061. Xa na xornada do martes houbera tensión nesta factoría, na que os sindicatos acusan ao seu propietario de valerse da situación de temporalidade e precariedade de varias traballadoras, contratadas a través de ETT, para impedir o éxito total dos paros. CC.OO. denuncia "unha actuación indecente na empresa do presidente da patronal, que está coaccionando os traballadores e traballadoras, aos que ameaza con despedir se fan folga" Xosé Luís García Pedrosa (secretario de Organización de CC.OO. Pontevedra) denuncia que a Policía "actuou con violencia cara ás traballadoras e traballadores" e advirte de que se está a producir "unha actuación indecente na empresa do presidente da patronal, que está coaccionando os traballadores e traballadoras, aos que ameaza con despedir se fan folga". Ademais, engade que "está contando coa colaboración da Policía Nacional e da Subdelegada do Goberno", á que fixo responsable da situación creada. "Nós advertímoslle á Dirección da Policía que hoxe ían estar aquí traballadoras que non percenten ao cadro de persoal da Cabomar, que proceden de ETTs e que hoxe entraron a traballar vulnerando o dereito de folga", sinala García Pedrosa A terceira xornada de folga mantivo o elevado seguimento das dúas primeiras. Os sindicatos salientan que o paro conseguiu deter a produción nas principais factorías de Vigo, Pontevedra e Marín como Fandicosta, Mascato, GPS ou Cabomar. A CIG salientaba "o novo éxito da folga, produto da unidade dun sector fondamente feminizado". E, ao tempo, criticaba a "intransixencia" da patronal, que -denuncia- se negou a mover a súa posición nas negociacións que se están a manter para a renovación do covenio do sector. O martes, no entanto, a folga transcorreu sen incidentes "a pesar da presenza intimidatoria de cadros directivos á porta dalgúns centros de traballo", sinalaba CIG-Mar. Intervención policial nas instalacións de Cabomar (Marín) | CC.OO. Para CIG-Mar, a continuidade da mobilización "supón un serio revés á actitude da patronal nas negociacións do pasado xoves e deste luns, onde se mantivo intransixente nas súas propostas miserentas para o convenio". Os sindicatos explican que na parte económica o empresariado mantén as mesmas propostas iniciais de suba salarial para os grupos 1,2 e 3 (os máis precarizados) dun 5,5% no primeiro ano e 2% nos tres sucesivos anos de vixencia do convenio -insuficiente para recuperar o poder adquisitivo perdido nos anos anteriores-, fronte ao 5,5% e 2,9% que propón a parte social. Alén disto, o empresariado tampouco está disposto a admitir permisos retribuídos para levar fillos/as en idade pediátrica ao centro de saúde. Segundo indica a delegación negociadora, as únicas cesións da patronal consistiron en aceptar a redución do tempo para promocionar da categoría 1 á 2 de cinco a catro anos e en aceptar o plus de serra, se ben reducindo á metade a súa contía (50 euros). Os sindicatos fan, así mesmo, un chamamento á implicación da Xunta no conflito dada a condición de sector estratéxico para Galicia. "A administración debe tomar cartas no asunto e convocar ambas partes para facilitar unha solución", declara Xabier Aboi, responsable de CIG-Mar. As traballadoras de Conxemar (Marín) este martes | CIG Un dos sectores industriais máis precarizados Unhas sete mil persoas traballan neste sector en Galicia, un 80% mulleres, con salarios moi baixos e unha precarización crecente, denuncian os sindicatos. A CIG advirte de que as traballadoras e traballadores perderon poder adquisitivo dende o ano 2010, ao non acadar nin sequera un incremento equivalente ao do IPC. Entre 2010 e 2013 os salarios estiveron conxelados, subindo tres décimas nos anos seguintes. Os sindicatos denuncian que o convenio "é un dos máis precarios de todo o sistema de alimentación" e reclaman un aumento importante nos salarios, que na súa maioría non chegan a mileuristas, con soldos base anuais de 12.000 euros en 14 pagas (862 euros ao mes). Igualmente, demandan a redución da carga horaria, un plus de refrixeración debido ás baixas temperaturas nas que se traballa, limitar e controlar a actividade das ETTs, así como prohibir as cooperativas de traballo asociado. "É a primeira folga que se fai no sector. Ata agora os empresarios xogaban coa precariedade e co medo, porque a precariedade tamén crea medo nos traballadores e traballadoras. Por fin o sector parece que espertou e petou na mesa", subliña Suso García (CIG-Mar).