ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_6038 | Algúns odonatos que podemos encontrar no río de Monforte de Lemos. | "A libeliña que dorme no teu pácreas sabe o teu nome o non o di"Olga Novo Cunha lonxitude de 56 quilómetros, o río Cabe é un dos principais cursos fluviais do interior de Lugo e dos máis importantes afluentes do río Miño. Unha boa parte do seu curso está declarado Zona de Especial Conservación polos valores naturais que abrangue. Espazo protexido cunha superficie de 1.787 hectáreas dos concellos de Bóveda, O Incio, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Pantón e Sober. Unha das particularidades que xustificaron esta figura de conservación é a de estar entre as rexións bioxeográficas atlántica e mediterránea, e acoller un hábitat prioritario como son os bosques de ameneiros e freixos. Nace o río Cabe nos montes do Courel, na Fonte das abellas, no municipio do Incio, para logo atravesar a depresión de Lemos e deitar as súas augas no Canón do río Sil. A confluencia climática dá lugar a unha gran diversidade natural, o bosque de ribeira forma un dosel fechado e sombrío que acolle especies típicas do bosque atlántico pero tamén do clima mediterráneo. Diversidade de flora que ben se pode apreciar nun paseo polas súas beiras nas que atopan refuxio fieitos de climas temperados e subtropicais como Osmunda regalis, Woordwardia radicans ou Culcita macrocarpa, dúas especies relictas estas últimas, presentes no Anexo II da Directiva Hábitat da Unión Europea. Porén, deixaremos a flora do vizoso río para outra ocasión e desta volta a nosa proposta é a de gozar duns animais prehistóricos que dan cor e vida ao río, as libélulas. Odonatos Cando imos á consulta da dentista é habitual que rotule a porta a palabra 'Odontoloxía', termo, o de odontólogo ou odontóloga que deriva do grego odon(to) que significa dente. Odonato comparte a mesma raíz, xa que unha das principais características destes insectos é a súa estrutura bucal composta por unhas fortes mandíbulas. A orde Odonata componse de dúas subordes: Anisoptera, comunmente coñecidas como libélulas e Zygoptera, que acolle os cabaliños. As primeiras, Anisoptera, son as libélulas de maior tamaño, teñen ollos grandes que ocupan a parte frontal da cabeza diferenciándose dos cabaliños que os teñen claramente separados. Teñen tamén un voo potente e directo e un corpo cunha estrutura robusta con dous pares de ás grandes e anchas. Os machos das libélulas son territoriais e voan continuamente vixiando os dominios para defendelos. Os cabaliños do demo, Zygoptera, teñen os ollos separados e un abdome delgado e longo, dous pares de ás ovaladas e un corpo cunha estrutura longa e delgada. Teñen un voo máis lixeiro e ás veces semellan bolboretas. Pódense diferenciar tamén porque as libélulas cando pousan manteñen as ás horizontais e estiradas e os cabaliños préganas cara a atrás sobre o corpo. Outra das peculiaridades destes insectos é a súa dobre vida, acuática na súa fase larvaria e terrestre na súa vida adulta. Terrestre e tamén aérea por suposto, ou quen non os ten observado voando por calquera río, poza ou encoro? A estes medios acuáticos poderiamos engadir outros, como as charcas formadas en canteiras abandonadas ou lagoas litorais ou da montaña. Unha última particularidade a destacar dos odonatos é o dimorfismo sexual nos exemplares adultos, que permite saber se estamos diante dun macho ou dunha femia. As xoias do Cabe Cando se pensa en especies ameazadas é habitual que citemos animais como o oso ou a pita de monte e raras veces pensamos en anfibios, réptiles ou peixes. Moi poucas en insectos ou calquera outro invertebrado ou planta. Ben, pois no Catálogo Galego de Especies Ameazadas podemos atopar uns poucos invertebrados entre os que están tres especies de libélulas. Unha das características da conca do río Cabe é que tres libeliñas en perigo comparten o mesmo hábitat: esmeralda espléndida (Macromia splendens), esmeralda de Curtis (Oxygastria curtisii) e candil de Graslin (Gomphus graslinii). Estas libélulas son insectos moi sensíbeis aos cambios que se dean no seu medio, nomeadamente aos producidos nos medios acuáticos que afectan o desenvolvemento das larvas, polo que poderiamos dicir que estas especies ameazadas son, xa que logo, indicadoras da calidade do hábitat no que se desenvolven. As fermosas libélulas comúns Porén, hai outras moitas especies, e o Cabe é un lugar fantástico para achegarse ao mundo destes insectos de vida anfibia. Cun pouco de paciencia, unha guía e unha cámara de fotos poderemos completar un bo cartafol das máis de sesenta especies presentes no país. É recomendábel para tal propósito, escoller un día de sol sen vento. En días fríos, aínda que saiamos á súa procura, vai ser complicado atopalas, xa que son animais que precisan calor para activarse. Moitas teñen territorios fixos e tamén pousadeiros habituais, polo que unha maneira de poder achegarse con detemento é localizar os lugares de repouso e alí identificalas ou retratalas. Nomeando a beleza Por último, e con ánimo de normalizar a promover o uso dos nomes galegos propoñemos a lectura do artigo Nomes galegos para as libélulas da Península Ibérica publicada na revista CHIOGLOSSA do Grupo Naturalista Hábitat. Na mesma, Cosme D. Romay, Adolfo Cordero-Rivera, Anxos Romeo, Martiño Cabana, Darío X. Cabana e Miguel Á. Fernández-Martínez, elaboraron e xustificaron unha lista de nomes galegos para as 77 especies de odonatos citadas da Península Ibérica. Empregaron tanto as denominacións tradicionais de libélulas e cabaliños como modificadores que propoñen para as diferentes especies. A achega desta listaxe patrón é de interese á hora de realizar publicacións, paneis informativos ou artigos sobre este grupo de insectos. Seguindo esta lista e acompañando estas páxinas nun paseo ás beiras do río Cabe, podemos observar sen moita dificultade algunhas especies comúns, mais non por iso menos fermosas, como son as donicelas vermellas, o cabaliño azul ou o bicolor e tamén o emperador grande. |
NOS_37507 | O ministro de Economía español reaccionou desta maneira ás portas da Comisión europea onde se reuniu esta segunda feira o Eurogrupo. Vídeo no interior. | Non é a primeira ocasión en que o responsábel de economía do goberno español increpa á prensa perante unha pregunta incómoda. O titular do Ministerio de Economía español, Luís de Guindos mandou "tomar polo cú" --literalmente-- á imprensa após ser inquirido por unha xornalista a respeito da situación económica que atravesa o Estado español e a política de recortes que desenvolve o seu goberno. A relación entre o executivo de Mariano Rajoy e a imprensa non pasa polo seu mellor momento após modificaren desde A Moncloa o acordo que durante anos rexeu a xestión das preguntas ao presidente do goberno, entre outras, nas comparecencias con líderes internacionais. Agora é o Goberno o que decide que medios de comunicación poden preguntar e cales non reservándose mesmo o dereito a veto como aconteceu na xuntanza entre Rajoy e Obama na que medios como a Ser ou TV3 tiveron que ficar fóra por decisión do executivo. Xornalistas e medios denuncian as dificultades para desenvolveren o seu traballo perante un dos presidentes (e gobernos) menos transparentes como teñen denunciado diversas asociacións de xornalistas. Vídeo tirado da canle de InfoLibre en Youtube |
NOS_38991 | Melania Cruz recibe nesta edición do Festival Internacional de Curtamentraxes de Bueu, que arrincou onte, o Premio Cinema Galego. O recoñecemento a unha traxectoria na que a lucense que conta dous Mestre Mateo (Dhogs e Trote) e un María Casares (Xardín Suspenso) agocha unha persoa inconformista e crítica, namorada da súa profesión, que se dedicou á docencia e coloca a educación como chave para mudar realidades e avanzar en loitas tan abertas, constantes e complexas como a dos feminismos, na que unha das batallas máis difíciles é xustamente combater o aprendido. | —Comezou de cativa a facer teatro, mais en que momento decidiu que se quería dedicar profesionalmente á interpretación? Debeu de ser cando tiña 19 ou 20 anos, ao entrar na aula universitaria de teatro. Na adolescencia xa me preguntaban se quería dedicarme a iso, pero eu estaba coa cabeza en ser tradutora ou profesora. Logo no Campus de Lugo comecei a pensalo e a formarme con distintos profesionais que viñan facer cursos preto. Ademais, eu fixen maxisterio por inglés e dei clase durante bastante tempo, por exemplo no colexio de Fingoi de Lugo. Ao ser privado, o centro pode dedicar unha porcentaxe do programa a materiais troncais da súa elección e teñen expresión dramática integrada no currículo. Iso era unha marabilla. —Iso é unha anomalía, non? Normalmente as artes dramáticas nunca entran no programa. Non, en absoluto. De feito, houbera unha proposta de pór en marcha coa LOXSE unha integración de expresión dramática no currículo, igual que outras materias como música ou matemáticas. Hai sobrados estudos que certifican os beneficios que poden provocar este tipo de actividades no desenvolvemento da capacidade comunicativa ou no autocoñecemento psicofísico, por exemplo. Pero claro, cando non interesa... Noutros países si que está moi asentado. En Reino Unido ves nenos de catro anos papándose un Shakespeare de tres horas e media, porque recitan desde pequenos. A Royal Shakespeare Company ten unha serie de actividades moi enfocadas a traballar cos distintos centros educativos, en distintas etapas, polo que coñecen a súa literatura dramática desde moi pequenos. Non é raro que poidan facer unha escenificación de calquera autora ou autor británico, porque lle dan moita importancia. Aí as estruturas están todas enfocadas a iso: teñen o National Theatre, promoven moito o traballo das dramaturgas e dramaturgos... As institucións están a favor destas cuestións porque teñen moi claro que o patrimonio cultural é fundamental na conformación da súa identidade. Cousa que aquí, por desgraza, non pasa e temos que estar continuamente nesa loita de explicar que o cultural non se pode medir en termos cuantitativos, senón cualitativos. Pero aquí á xente gústalle moito falar de números. —Cando rematou os estudos de arte dramática, fundou ilMaquinario Teatro con varias compañeiras. Que significou ese paso? Foi unha experiencia moi positiva. Eu entrei na ESAD [Escola Superior de Arte Dramática] coa idea xa de formar compañía con Tito Asorey, que ía polo itinerario de dirección. No camiño fomos atopando compañeiras de viaxe coas que finalmente fundamos ilMaquinario. Había moita ilusión, moitas ganas de experimentar cun tipo de teatro que nos interesase a nós, sobre todo por xogar con outros formatos, outro tipo de dramaturxias, outras maneiras de facer. Comezamos con moitas ganas e ilusión, puxemos todos os esforzos para sacar o proxecto adiante e durou cinco anos, así que non estivo nada mal. —Hai pouco, na ESAD houbo bastantes protestas por parte das alumnas denunciando situacións de acoso e abuso de poder por parte do profesorado, unha problemática que viña de longo... É unha situación que eu coñezo de primeira man porque entreguei varios escritos ao rexistro de inspección educativa e ao propio centro, por suposto, notificando un tipo de actitudes e comportamentos que se correspondían pouco coa responsabilidade docente. Non me sorprendeu cando as alumnas se puxeron en contacto connosco e o que fixemos foi intentar apoiar ao máximo a súa causa, que agora está en proceso xudicial. Esperemos que se aclare axiña e que se tomen as medidas pertinentes. Porque cando iso, ano tras ano, é unha tónica que se repite, é porque pasa algo. Aí tamén está a valentía das alumnas que se atreveron a facer o que nós non fixemos, aínda que si houbese caceroladas ou algún parón. Pero non sei por que non tivemos o atrevemento, a forza ou non chegamos ao acordo de dar a ver que iso non era permisíbel nunha contorna educativa. Eu aplaudo a todas esas estudantes e tamén me alegro moito porque o profesorado se posicionase. Está claro que se nos abriu moito a cabeza nos últimos anos a este nivel. Revisando todo isto, dáste conta de que ti normalizabas condutas que non eran aceptábeis, porque estamos educadas desta maneira na que che fan crer que iso é o habitual ou debe ser así, simplemente porque levamos esta tradición de que as cousas se fagan desde o punto de vista heteropatriarcal, e que che digan un piropo ten que ser agradábel. Todo iso que hoxe parece tan básico, cando estabamos estudando, e mira que non pasou tanto tempo, non o era. Comezáronse a mover cousas cara a lugares que nos fixeron ver cales son realmente as prioridades que debemos ter e por onde debemos tirar para que a igualdade se faga efectiva. Porque os meus compañeiros tamén sufriron abusos de poder, por parte de determinadas persoas que foron acusadas de acoso, pero o trato era moi diferente. —Imaxino que este tipo de condutas son habituais no eido da interpretación, no que a muller segue, por exemplo, moi condicionada polo seu físico. Si. Ultimamente pedíronme unhas self tapes, que están moi de moda, é dicir, que me gravase a min mesma, e as indicacións eran que me tiña que pór "moi guapa". Eu non teño ningún problema en arranxarme, pero até que punto o físico xoga tanta importancia cando se supón que teñen que valorar a interpretación? Eu non son modelo. Hai quen compaxina unha cousa con outra e paréceme fantástico, pero non é o meu caso. Eu sobre todo noto moito que cando un actor de renome di algo, como que un pantalón ou unha camisa non lle acae, ou que o cabelo así non, o normal é que se entenda que está moi metido na personaxe e para traballala precisa esas cousas. Cando o facemos nós, ou cando damos unha contestación nun momento porque queremos estabelecer un límite que consideramos que non se está a respectar, chámasenos repelentes, histéricas ou problemáticas. Eu estou traballando en ser asertiva porque veño de todo ese lugar, de non ser capaz nin de recoñecerme a min mesma en certas condutas machistas que están tan metidas no ADN que é moi difícil detectar. Tamén o vexo no acceso a determinados tipos de personaxe. Nós parece que sempre temos que ter o plus do físico, cando hai actores como Antonio de la Torre ou Luís Tosar protagonizando todo. Por favor, máis Marías Vázquez! Porque tense a idea de que agora ela non para de traballar, pero enfrontou unha pausa de dous anos na súa vida laboral. Isto non se ve normalmente. E logo está o típico comentario de que cando un home curra moito é moi bo, mais cando es muller dincho doutra maneira. É sorte ou que es "amiga de". A min hai moito que non me din que son "moza de", pero é unha loita permanente. Parece que tes que estar sacando o currículo cada dous por tres para demostrar que xa facías cousas antes de ter unha relación sentimental con tal persoa ou ser amiga destoutra. É esgotador. E nese sentido rebéntame cando, en varios grupos de proxectos que temos, se colan os típicos comentarios de "xa estades co feminismo". Non acabamos nin de empezar! Claro, eles non se tiveron que enfrontar a moitas cousas. E nós só queremos os mesmos dereitos, nin máis nin menos, os mesmos, pero estamos moi lonxe, xa o vemos no panorama. Cantas xefas de guión, porque guionistas aínda, hai escribindo series? Cantas directoras? Moi poucas, tiven a sorte de traballar con varias, pero non abundan. Acordareime toda a vida dunha crítica de Dhogs na que se falaba de todo o traballo actoral menos do meu. E a miña parella dicíame: "Pero se ti es a protagonista do filme!". E eu tardei moito tempo en dicir que o era porque me daba vergoña, por esta cousa de non querer ser moi visíbel, porque cando o es deseguida vai vir alguén que che bote a cabeza para abaixo. Entón parece que estás nos sitios como pedindo desculpas. Isto é educacional, tirar de enriba todos estes séculos deste tipo de educación e limitación social. Todo iso que hoxe parece tan básico, cando estabamos estudando quenon o era. Comezáronse a mover cousas cara a lugares que nos fixeron ver cales son .as prioridades que debemos ter e por onde debemos tirar para que a igualdade se faga efectiva —Moi en relación con estas preocupacións, co seu proxecto A Quinta do Cuadrante escolleron como primeira peza O Empapelado Amarelo, de Charlotte Perkins. Que as levou a esa obra? Vén dun sitio complexo. Está baseada en feitos reais, a raíz dunha depresión posparto da autora. A min interesábame moito, entre moitos motivos, porque parece que a depresión a nivel social non está ben vista. Canto menos se fale dese tema mellor. E, por desgraza, determinados trastornos como a ansiedade padéceos unha elevada porcentaxe da poboación. Está claro que hai algo aí que non funciona, eu penso que vén moito do tipo de vidas que levamos, as expectativas que cremos que os demais poñen en nós, que é do que fala O Empapelado Amarelo, de non poder ser quen de elixir a túa propia vida. Pregarse á contorna e ao que se supón que se agarda de nós, renunciar a pulsións internas que son moi fortes, remata levando moitas veces a que padezamos ese tipo de trastornos, nuns casos durante toda a vida ou noutros momentaneamente. Eu mesma tamén pasei por aí e paréceme que se fala pouco de algo fundamental. Por outra banda, a muller foi elemento de experimentación na medicina nos centros psiquiátricos, con tratamentos de choque como a lobotomía, tratada de histérica. [...] Resultábame moi atractivo falar disto, dunha muller que foi pioneira do feminismo, que pasou por sitios moi escuros e levou a cabo algo absolutamente escandaloso, pero grazas a non pregarse aos desexos dos demais chegou a facer o que ela quería: escribir ensaios, dar conferencias... Perkins xa reclamaba que o traballo doméstico tiña que ser remunerado no século XIX, tiña unha mentalidade moi adiantada para a época, coma moitas antes. Desde que lin por primeira vez o relato quería facer o proxecto, pois se o colles hoxe pregúntaste como é posíbel que iso non estea aínda absolutamente superado: o amor romántico e todos estes mitos. Estamos aínda nas portas de algo que non sabemos manexar. —E volvemos sobre a educación. A educación emocional é moi limitada, esa esfera parece que non existe. Eu que traballei como mestra, tamén na ESAD, penso que falta moito. Ademais, o sistema -e non é que eu sexa antisistema- parece que alimenta que non nos impliquemos coas problemáticas reais do alumnado. E a min paréceme imposíbel non facelo, porque non podo compartir proxectos con alguén e finxir que non están pasando cousas que vexo. Entón hai unha decepción constante con ese modelo educativo. Logo tes moi boas compañeiras e compañeiros que che din: "Dentro do sistema ti podes...". Pero ao mesmo tempo, sentes que estás contribuíndo a alimentar iso, malia que eu desde a miña parcela de aulas poida facer as cousas desde outro lado (que ás alumnas tampouco lles ten que interesar). —Mencionaba Perkins como exemplo de muller que rachou cos padróns da época. Vostede encarnou en Contou Rosalía outra pioneira, a poeta que é todo un símbolo nacional. Como encarou ese traballo? Sobre todo en canto á relación que tivo con Murguía, que aparece no filme dunha maneira que, aínda que igual algo edulcorada, en parte anticipa a conflitividade que tamén houbo durante o matrimonio. Foi unha responsabilidade tremenda, co pensamento recorrente de que non ía ser quen de encarnar a Rosalía que todo o mundo ten na cabeza. Decidín tomala como unha personaxe máis, con toda a bagaxe que ten, intentando absorber de cantos máis sitios mellor. Tiven a sorte de que casualmente acababa de publicarse a biografía que fixo María Xesús Lama e bebín moito de aí, adaptándome na medida do posíbel ao que me pedían desde o propio guión. Efectivamente, o filme retrata un momento fugaz da vida de Rosalía, esa aparición que comeza a ter na vida pública. É moi difícil quitar do imaxinario popular a propia idea que se intentou vender dela. Eu imaxino que para Murguía debía ser moi complexo tratar de publicar un poemario cheo de melancolía se non ía acompañado dunha figura que se supuña gris. Porén, cando les a súa biografía, decátaste de que todo o que estudaches ou escoitaches non é así. Faise referencia a ela como unha muller alegre, á que lle encantaba cantar, que ría moito e tiña sentido do humor, que adoraba facer teatro... Moitas cousas que non transcenderon, porque supoño que na época non era tan vendíbel esa imaxe coa obra. O filme tamén está cheo de referencias fantásticas, aparecen personaxes dalgunhas das súas novelas. É máis unha fantasía do que puido ter sido a súa vida. E hai varios momentos de tensión entre a autora e Murguía, que vistos coñecendo un pouco o que pasou é case unha premonición. Creo que hai moita información de Rosalía que non temos, que non se chegaremos a ter. Ela mandou queimar moitas das súas cartas e hai unha parte aí de intimidade que igual está ben manter. De Pardo Bazán transcenderon as cartas con Galdós e non sei se ela estaría moi de acordo [ri]. Nós sempre queremos saber máis, sobre todo cando interpretas alguén. Por certo, é curioso que todas as biografías que eu consultei, á parte de seren escritas por homes, centrábanse moito na figura de Murguía e no que el fixera con Rosalía como autora, non tanto en Rosalía como ente independente. —Ten máis proxectos coa Quinta do Cuadrante? Estamos cun de escrita a catro ou a seis mans, non o sabemos. É sobre unha temática que ten que ver moito con esa memoria silenciada, que se centrará en dúas personaxes históricas que foron asasinadas nun momento determinado. Atópase nunha etapa moi primaria, eu levo moitos anos querendo facer algo sobre isto, mais até que se poida realizar... Pero non estamos parados, o confinamento deu para moito! —E como observa a situación actual do sector? Creo que non estamos facendo as cousas ben como colectivo. Non me parece aceptábel que os medios de transporte vaian cheos, sen distancias físicas e con moi poucas medidas de seguridade, e logo no teatro teñamos a capacidade limitada a 30% e cousas así. E xa non o digo polas compañías que van a caché, que teñen asegurada unha cantidade, pero hai moitas que traballan a billeteira e non se poden permitir distribuír. Ves como se anulan constantemente eventos culturais cando se manteñen outros. Non entendo cales son os criterios que están seguindo as Administracións. Pero isto tamén forma parte dunha estratexia de desestruturación do universo cultural que levamos vivindo desde o "Non á guerra": 21% de IVE, recortes en axudas de cultura coa escusa das crises económicas... Teremos que tomar medidas desde as distintas asociacións das que formamos parte. A min non me parece tolerábel. Estas esmolas en compensación por todo o que non se fixo estes meses non son axudar o noso sector. Hai que deixar de machucalo nos puntos nos que está intentando sobrevivir. |
NOS_58258 | O grupo primeiro da Terceira RFEF, na que militan todos os equipos da Galiza, regresou logo de que a Federación adiase por completo a xornada anterior. Porén, esa volta foi a medias, pois tres dos oito partidos previstos tiveron que ser pospostos a última hora a causa dos casos positivos en Covid que os tests continúan a detectar. | Nunha xornada na que todo o protagonismo recaeu na Terceira Galega -a quinta división- logo do adiamento das catro principais categorías do fútbol estatal pola disputa da Supercopa de España en Arabia Saudita, finalmente foron cinco os encontros que se puideron levar a cabo pois tres dos previstos (Ourense-Viveiro, Barco-Estradense e Ponteareas-Rápido de Bouzas) foron adiados a última hora dados os casos positivos en Covid-19 detectados no último momento. Os partidos que si se puideron xogar foron o Alondras-Silva (0-2), Sofán-Rácing Vilalbés (1-2), Chocho-Polvorín (2-1), Fabril-Noia (0-0) e Somozas-Arnoia (2-1), e en todos eles os xogadores notaron nas pernas a lóxica inactividade logo dun mes sen disputar un só partido oficial. Triunfo celeste no derbi galego xuvenil O sorteo dos dezaseisavos da Copa xuvenil deparou un derbi galego entre Celta e Deportivo que caeu do lado duns vigueses (2-1) que avanzan á seguinte fase do torneo do KO. Nun choque que seguiu un guión moi similar ao ligueiro que disputaron o pasado 21 de novembro, os rapaces branquiazuis conseguiron adiantarse da man de Nájera no minuto 20. Porén, logo do descanso a escuadra olívica tomou o control do encontro, igualando o marcador no 70 logo de que Aitor Mañas completase unha gran xogada individual de Antañón. Finalizado o tempo regulamentario, a prórroga decidiu o derbi a prol dos locais, pois o prometedor mediapunta Hugo Álvarez materializou no minuto 100 o definitivo tanto da vitoria dun Celta xuvenil que xa agarda rival nos oitavos de final. As futbolistas do feminino salvan a honra branquiazul Non obstante, o tropezo da rapazada herculina non desluciu o triunfo do Deportivo Abanca ante o Club Deportivo Pradejón (0-2), éxito que tivo a recompensa engadida do liderado na Reto Iberdrola, segunda categoría a nivel estatal. As mulleres dirixidas por Miguel Llorente sobrepuxéronse a uns minutos iniciais de constante asedio rioxano até certificar un sólido pero traballado triunfo que tivo como principal peculiaridade o feito de que o preparador madrileño apostou por non realizar ningunha substitución, algo moi pouco habitual no fútbol contemporáneo. |
PRAZA_17179 | O Concello coruñés resalta que non ordenou cargas policiais no desaloxo e resalta que a Policía Local acudiu ao inmoble cando se atopaba baleiro. O colectivo impulsor do centro ocupado acúsao de "saltar a legalidade e as máis mínimas garantías democráticas" no desaloxo | "Levabamos mesese traballando para evitar a situación que vimos este mércores". A concelleira responsable da área de Seguridade do Concello da Coruña, Rocío Fraga, saíu este xoves ao paso das críticas recibidas tras os incidentes nas protestas polo desaloxo da antiga Comandancia de Obras, que viña funcionando como centro social ocupado baixo o nome de 'A insumisa'. O goberno local, afirma Fraga, "lamenta profundamente a existencia de persoas feridas", en torno a media decena, por mor das cargas policiais que, salienta, o Concello non ordenou. Os membros do centro social desaloxado, mentres, apelan á mobilización polo sucedido. En comparecencia ante os medios xunto aos edís de Rexeneración Urbana e Participación, Xiao Varela e Claudia Delso, Fraga fixo fincapé en que os enfrontamentos se produciron horas despois de que, contra as sete e cuarto da mañá, a Policía Local "acudise ao inmoble" para "comprobar o seu estado e levantar acta unnha vez vencido o prazo" ás persoas ocupantes "para o seu abandono voluntario", sinala, mentres que dende 'A insumisa' afirman que ese prazo aínda non expirara. "Tras constatar que se atopaba baleiro, decidiuse recuperar a posesión do mesmo por tratarse dun ben de dominio público e custodialo até a sinatura da acta de replanteo" co Ministerio de Fomento e "o inicio das obras de rehabilitación" para tornalo en "equipamento público destinado á mocidade". Rocío Fraga: "Lamentamos profundamente a existencia de persoas feridas, pero quero reiterar que ocorreu moito máis do que se pode ver nun vídeo de 40 segundos" Estes, lembra o Concello, foron os feitos dos que a propia Fraga deu conta contra as 10 da mañá do propio mércores, unhas dúas horas antes do enfrontamento coa Policía Local no que cando menos dúas persoas resultaron feridas. Ese dispositivo, di a edil, tiña como "único" cometido a devandita "custodia" do edificio. "Estas foron as instrucións que recibiron os axentes", que "nin sequera levaban cascos, proteccións ou calquera tipo de equipamento para un enfrontamento ou carga". O goberno local, agrega, vai "analizar con calma toda a situación vivida", se ben considera que o acontecido no caso dos axentes municipais non foi unha carga, senón unha "resposta" ao intento dos manifestantes de volver ocupar o edificio. "Aínda que foi un día especialmente duro e tendo en conta que lamentamos profundamente a existencia de persoas feridas -conclúe Rocío Fraga- quero reiterar que durante toda a xornada ocorreu moito máis do que se pode ver nun vídeo de 40 segundos", di en referencia ás imaxes captadas por Radio Coruña. Cando si existiron cargas, coida o goberno local coruñés, foi na actuación da Policía Nacional durante a manifestación do serán. O Concello, matiza, "pediu a colaboración" do corpo estatal para a custodia do recinto, "como ocorre de forma habitual", pero non propiciou a carga, subliña. Comunicado dende 'A Insumisa' O colectivo impulsor do centro ocupado acusa o Concello de "saltar a legalidade e as máis mínimas garantías democráticas" no desaloxo As explicacións do Concello non convenceron os membros de 'A insumisa', que sinala a Marea Atlántica como "directamente responsable da represión e a violencia, máis aínda que os lacaios que empuñaban as porras que eles ordearon desenfundar", afirma o colectivo a través dun comunicado. "Algún día -auguran- terán que responder por esta infamia", din nun contexto no que acusan o Concello de "saltar a legalidade e as máis mínimas garantías democráticas" a través dunha "forza" que "non foi a mínima imprescindible", senón aplicada "con sadismo e crueldade". 'A insumisa' ve "patético" que o goberno coruñés resalte o seu proxecto de "recuperar" as vellas naves da Comandancia de Obras como espazo "público". "Que hai máis público que un centro social aberto no qeu todas poidan decidir de xeito igualitario por medio dunha asemblea libre e desxerarquizada?", pregúntanse. A xuízo do colectivo, "o tempo poñerá a cadaquén no seu lugar" porque "ao pobo consciente non se lle engana tan facilmente". "Nós -advirten- seguiremos resistindo" e "abrindo espazos de liberdade e autoxestión para defendelos tras dos seus muros e nas rúas do autoritarismo e a represión". Neste sentido, chaman a unha manifestación o vindeiro sábado no serán. |
PRAZA_9000 | O presidente da multinacional racha o seu silencio e nega o uso de información privilexiada á hora de vender accións. "Vendín todo o que tiña que vender para salvar a empresa", dixo quen se di "moralmente tranquilo". "Non teño medo á xustiza". | Manuel Fernández de Sousa, presidente de Pescanova, racha o silencio e concede unha entrevista á Cadena Ser, en Madrid, onde negou a maior, incluso a débeda. Asegura que "non hai un burato de 3.000 millóns de euros" na empresa e aclara que o valor da compañía "excede en moito o seu pasivo". "Non hai un burato de 3.000 millóns; o que creamos estes anos é valor para a empresa", di Sousa O máximo responsable de Pescanova, que carece de funcións executivas por mandato xudicial, negou todas as acusacións que se verten sobre el desde hai meses e negou tamén que a situación da multinacional fose tan grave como se di. "Non hai un burato de 3.000 millóns, o que creamos estes anos é valor para a empresa", chegou a asegurar, tras aclarar que o valor da marca, as explotacións acuícolas ou os proxectos de I+D non se atopan valoradas nos libros de contas. "O valor de Pescanova hoxe excede en moito ao seu pasivo; non só vale máis, senón que vai valer moito máis", engadiu quen afirma que todo o que se fixo -incluído o atraso na presentación das contas- "foi en beneficio da firma". "E así se acreditará", dixo. En canto á venda de parte de accións e as acusacións que falan de uso de información privilexiada, Sousa négao e aclara que foron os "problemas de tesourería" os motivos que o levaron a levar esa operación que, aínda que non o dixo, lle permitiu recuperar en tres meses os cartos con medio millón de euros de beneficio. "Se tivese información privilexiada, tería vendido todo", engadiu. "Vendín todo o que tiña que vender para salvar a empresa", di o presidente de Pescanova, que lembra que segue sendo o maior accionista "Eu comuniquei a venda das accións; sigo sendo o maior accionista da compañía e acheguei 10 millóns para apoiar a empresa en problemas de tesourería", insistiu Sousa, que manifestou que se non tivese crido na empresa "non tería conservado as accións nin tería achegado 10 millóns". "Vendín todo o que tiña que vender para salvar a empresa", aclarou. Ademais, destacou que "nestes tres meses pagáronse as nóminas e seguiuse funcionando" e xustificou o atraso na presentación de resultados do pasado mes de febreiro en que estaban á espera de realizar un desinvestimento ou presentar o preconcurso de acredores. En canto á influencia que a crise das caixas galegas tivo na situación de Pescanova, Fernández de Sousa recoñece que "si afectou", pero que afectou aínda máis a reestruturación de todo o sistema financeiros español en xeral. "Estou moralmente tranquilo; non teño medo á xustiza", manifestou Malia non recoñecer malas prácticas, Fernández de Sousa si admitiu un erro: o de non "ter comunicado". "É algo que hai que corrixir agora", aseguro, tras declararse "moralmente tranquilo". "Non teño medo á xustiza". "Sacrifiquei a miña vida, a miña familia e o meu patrimonio por Pescanova", engadiu, tras rematar advertindo de que o seu "maior interese" é "que España non perda a maior empresa do sector". "Loitarei para que non se liquide nin se fraccione a compañía", rematou. |
NOS_42959 | Titúlase 'Algo Raro Pasa Raro' e publicarase en edición bilingüe. Estará nas librarías o vindeiro 20 de novembro. | Con prólogo do escritor Agustín F. Mallo, esta obra editada por La Oficina inclúe ilustracións do pintor Juan Ugalde e unha edición dixital interactiva con música, voz e vídeo, ademáis de texto. Algo Raro Pasa Raro publícase en edición bilingüe (galego/español), como xa ocorrera con Escarnio (disco-libro) e Leccións de Cousas. Reixa nas presentacións recitará tamén textos deste anterior libro que inicialmente fora o catálogo dunha exposición de vídeo-instalación, pero que conta cunha edición autónoma. O 20 de novembro chegará ás librerías este novo título, e Reixa realizará unha xira de presentacións e recitais por todo o Estado en colaboración coa FNAC. En Galiza será na Coruña, onde será presentado polo analista político Antón Losada, no Casino de Santiago e en Librouro de Vigo. Seguindo coa sua incansable actividade, Reixa ensaia un novo disco coa sua banda de hai 30 anos: Os Resentidos; e continúa co seu traballo como produtor. Ademais, participará na dirección de senllos proxectos audiovisuais con Marcel.lí Antúnez e Hannes Stohr. Actualmente está inmerso no proceso de creación dun novo libro Outlet e da performance Melancoholemia. O que fora director da SGAE é definido na nota de prensa como "Escéptico definitivamente coa vella política institucional, segue dando testemuña sempre que se lle presenta a oportunidade, sobre a necesidade dunha nova política cultural, da propiedade intelectual e, por suposto, da unidade popular". |
QUEPASA_1013 | Vázquez Queipo era o apoderado dos primeiros testamenteiros de Fernando Blanco de Lema. Autor: ENRIQUE MAYER CASTRO (1861 – 1931) Ano: 1893 | A Fundación Fernando Blanco de Lema conta con tres placas conmemorativas realizadas por Enrique Mayer Castro, as cales actualmente atópanse colgadas das paredes do Sala de Profesor@s do Instituto ceense. Todas elas son dunha delicadeza e perfección exquisitas. A que hoxe nos ocupa é a dedicada ao insigne e polifacético lugués Vicente Vázquez Queipo, apoderado, entre os anos 1880 e 1888, dos primeiros testamenteiros de Fernando Blanco de Lema. Grazas ao interese, sempre crecente, que Vázquez Queipo amosou por todo o que se refería á Fundación, contribuíu a que se realizasen, no mais breve prazo posible, as últimas vontades do filántropo natural da vila da Xunqueira. E así logrouse dar comezo ás obras do edificio o 2 de agosto de 1880, abrindo as súas portas ao ensino o 2 de outubro de 1886, a pesares dos mil obstáculos e dificultades que houbo que superar. O actual IES Fernando Blanco é a realización galega que, aínda hoxe, dinos mais do fuste do personaxe. Vicente Vázquez Queipo tivo o bo criterio de supeditar o deseño do edificio ao programa educativo preparado por Acisclo Fernández Vallín, conselleiro de Instrución Pública e promotor de varias reformas educativas en España. O profesorado da Fundación, como mostra de gratitude, e admirando a multitude se méritos e as brillantes calidades persoais que adornaban ao home que destacou nas ciencias, na literatura, na historia e na política, celebrou unha reunión o 13 de marzo de 1893, dous días despois do seu pasamento, na que se tomaron os seguintes acordos: - "1º. Asociarse al justo dolor de la familia del ilustre sabio y hacer que constase en acta el profundo sentimiento experimentado por todos al tener noticia de tan irreparable y sensible pérdida.- 2º. Comisionar en Madrid á una persona de confianza para que, en nombre del profesorado del Colegio, colocase una corona sobre el catafalco el día de los funerales, ya que por falta de tiempo no podía depositarse sobre el féretro.- 3º. Dedicar á la memoria del respetable anciano una lápida que se colocará en uno de los salones de este Establecimiento.- 4º. Manifestar al Excmo. Sr. D. Antonio Vázquez Queipo, el gusto con que vería el profesorado del Colegio, que tanta admiración y respeto profesaba a su sabio y venerable padre, que tuviese á bien acordar se celebrasen en lo sucesivo, por el alma del que fue modelo de honradez y laboriosidad á la par que excelente cristiano, en la Capilla de este Establecimiento, iguales sufragios que por los que fueron albaceas, y una misa ad perpetuum en el día de San Vicente". A placa conmemorativa en cuestión, realizada por Enrique Mayer Castro, conta cun impresionante marco en madeira de nogal, con profusa decoración vexetal e coroado por dous anxos, obra do tallista compostelán Jesús Lavandeira. Das tres placas propiedade da Fundación, esta é a de maior porte e traballo, contando, na parte central superior, gravado en metal, co símbolo do ensino, e unha lenda en latín na que se repasan os méritos do homenaxeado e faise fincapé no agradecemento do persoal do centro educativo á súa figura. O Homenaxeado Vicente Vázquez Queipo nun Óleo de Federico de Madrado que se pode ver no museo Fernando Blanco. Ano 1888 Vicente Vázquez Queipo naceu o 17 de febreiro de 1804 na coñecida coma Casa Grande de Lusío (Samos - Lugo). Comeza os seus estudos na casa familiar, para continualos no famoso Colexio do Cardeal en Monforte de Lemos. Casa Grande de Lusío, hoxe reconvertida en Albergue público, onde naceu Vázquez Queipo No 1820 ingresou na Universidade de Valladolid. Dedicouse ao estudo das ciencias exactas, físicas e naturais, á vez que ás materias de Dereito, conciliando dúas formacións que parecían antitéticas: a xurídica e a físico-matemática. Doutorouse nesta facultade no 1826, e catro anos mais tarde ganaba, por oposición, a Cátedra de Física da Universidade de Valladolid. Cando parecía destinado á docencia, a súa fama universitaria transcendeu a Madrid. Comisionado polo goberno español, o ministro López Ballesteros converteuno no primeiro bolseiro que España desprazou a París para completala súa formación na Escola Central das Artes e das Manufacturas, e como consecuencia dos seus xa grandes coñecementos e da súa constante aplicación, mereceu a honra de ser nomeado Axudante dos Profesores de Física e Química de dita Escola, que o eran Mr. Peclet e o ilustre Dumas. No ano 1847 ingresou na Real Academia de Ciencias; formaba tamén parte da Real Academia de Historia, e era membro correspondente do Instituto Imperial de Francia dende 1860, ano no que esta importante institución científica adxudicoulle o primeiro premio de Numismática pola obra titulada "Essai sur les systèmes métriques et monétaires des anciens peuples, depuis les premiers temps historiques jusqu ́à la fin du Kalifat d ́Orient". Outras moitas obras publicou Vázquez Queipo durante a súa longa e laboriosa vida. Entre elas están as súas "Tablas de los logaritmos vulgares de los números desde 1 hasta 20.000, y de las líneas trigonométricas" (1853), as cales nacen coa intención de simplificalos cálculos, e convertéronse nun dos libros máis singulares da nosa historia editorial. Resultaron premiadas na Exposición Universal de París de 1867, e foron adoptadas na maior parte dos centros de ensino de España. Continuáronse vendendo, logo da morte do seu autor, durante oito décadas, e só as máquinas de calcular foron capaces de relegalas a un segundo plano. Outro libro, o último que publicou á avanzada idade de 83 anos, tende tamén a vulgarizar os cálculos aritméticos. Titúlase "Aritmética superior mercantil", e nel atópanse fórmulas sinxelas para resolver, por medio de logaritmos, cantos problemas poidan presentarse sobre cuestións de interese simple ou composto, incluso os empréstitos públicos, das corporacións ou das empresas particulares. Moitos mais son os traballos publicados por Vázquez Queipo sobre asuntos científicos, económicos, monetarios ou políticos. "La cuestión del oro", publicada en 1861; "La crisis monetaria española", en 1866; "Informe fiscal sobre el fomento de la población blanca y emancipación progresiva de la esclava negra en la Isla de Cuba", en 1844. Este último informe converteuse en todo un clásico, dando a volta ao mundo. Os cargos que desempeñou, ademais do de Catedrático de Física, xa citado, foron numerosos: Fiscal de Facenda na illa de Cuba, Deputado a Cortes, Senador Vitalicio, Director Xeral de Ultramar, Subsecretario do Ministerio da Gobernación, Comisario Rexio do Observatorio Astronómico, Presidente da Comisión do Mapa Xeolóxico de España, etc., sendo condecorado, polos seus importantes servizos, coa gran Cruz de Isabel A Católica. Tivo peso destacado en tódalas reformas educativas constitucionais, e nos últimos anos asesorou a un ministro excepcional, o novo Conde de Toreno, o cal tramou, con Montero Ríos e co Cardeal Pallá, o nacemento simultáneo do laicismo escolar e da institución libre de ensinanza. O Autor Enrique Mayer Castro nunha imaxe anterior a 1927 cedida por Concepción Mayer Viña Enrique Mayer Castro, de ascendencia alemá, naceu en Santiago de Compostela o 13 de abril de 1861, no seo dunha familia artesán dedicada á reloxería e á fabricación de caixas de música. Dende mozo, a súa afección polo gravado levouno a estudar na Sociedade Económica de Santiago, onde foi alumno doutro gran gravador galego, o mestre Modesto Brocos. Xa a principios do século pasado viaxou a Madrid para amplialos seus estudos a carón doutro coñecido gravador-xilógrafo, tamén de orixe santiaguesa, chamado Arturo Carretero. Despois de anos de formación, volveu á cidade que o veu nacer, creando un obradoiro de gravado en madeira e metais, e colaborando con frecuencia cos máis importantes xornais e revistas. A el débense as ilustracións de varias revistas coma "Galicia Diplomática" e "Galicia Humorística", e de varias obras coma "Arqueología Sagrada", "Lecciones de Arqueología", "Pórtico de la Gloria" e "Historia de la Catedral Compostelana", do canónigo e arqueólogo López Ferreiro. Este xenial artista acude a varias exposicións (Barcelona, Lugo, Santiago, París, Bos Aires, Madrid) onde sobresae coas súas aportacións artísticas en acibeche. Ademais da súa faceta artística, ten un grande interese a súa aportación investigadora á arte do gravado sobre madeira ou xilografía. Exerceu a docencia dende 1890 coma profesor de debuxo na Sociedade Económica de Santiago, dende onde impulsou o establecemento dun obradoiro de escultura en acibeche, co obxecto de que non se perdera esta nobre arte. Tamén foi profesor de debuxo artístico na Escola de Artes e Oficios de Santiago; ámbolos cargos desempeñounos ata a súa morte. De entre as diversas actividades da súa vida artística podemos citar as seguintes: - En 1896 forma parte do xurado de Artes Liberais da Exposición Rexional de Lugo.- En 1897 é nomeado Socio de Mérito da Asociación de Artes Gráficas de Santiago.- En 1919 é nomeado membro correspondente da sección de Belas Artes do Instituto de Estudos Galegos da Coruña.- En 1928 forma parte da 1a Xunta Directiva da Sociedade de Amigos da Arte de Santiago.- En 1929, forma parte, xunto con Castelao e outros artistas, do Tribunal para conceder as pensión da Deputación de Pontevedra.- Dende 1930 é nomeado membro do Padroado que redactou a carta fundacional da Escola de Traballo.-… Enrique Mayer morre en Santiago o 15 de novembro de 1931. Sen dúbida Enrique Mayer Castro merece ser lembrado coma galego ilustre, por toda unha vida dedicada ao traballo e a difusión dos seus coñecementos, e, especialmente, pola súa gran aportación ás artes da Galicia do seu tempo. Placa na casa natal de Mayer de Castro en Santiago Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco. OUTROS TESOUROS DA FUNDACIóN Tesouros da Fundación: Máquina de escribir Underwood Nº5 . Esquema orográfico e hidrográfico de Galicia. Fonógrafo de Edison Estación Telefónica Interurbana (O primeiro teléfono de Cee). óóleo de Fernando Blanco de Lema. |
PRAZA_2159 | A empresa estaba obrigada a decidir se pechaba esta e outras contaminantes plantas de queima de carbón ou se optaba -como finalmente fará- por reformalas para adecualas aos requerimentos medioambientais da UE. A instalación pontesa dá traballo a 330 persoas. | A central térmica das Pontes manterá a súa actividade. En principio, o seu peche nunca estivo na axenda de Endesa, pero a empresa (propiedade da italiana ENEL) estaba obrigada a confirmar, antes do 1 de outubro, se optaba por clausurar esta e outras dúas centrais de queima de carbón (en León e Teruel) ou se as mantiña en funcionamento, realizando iso si importantes investimentos para adaptalas ás esixencias europeas sobre contaminación, presentadas na Directiva de Emisións Industriais. No caso de ter optado polo peche, a central das Pontes tería iniciado unha redución progresiva da súa actividade ata o ano 2023, operando unicamente 17.500 horas máis. A decisión de manter abertas a instalación obrigará a Endesa a investir ao redor de 200 millóns de euros antes do ano 2020, co obxectivo de reducir as actuais emisións contaminantes. A multinacional gaña tempo, polo tanto, á espera "dunha clarificación do escenario económico e normativo que permita adoptar unha decisión sobre os investimentos ambientais", declarou Borja Prado, presidente de Endesa. O Ministerio de Industria debe aprobar unha orde que regule as axudas para a desnitrificación. As centrais das Pontes e Meirama son responsables de entre o 30% e o 40% de todas as emisións de CO2 de Galicia A instalación pontesa dá traballo a 330 persoas. Porén, esta central térmica e a situada en Meirama son responsables de entre o 30% e o 40% de todas as emisións de CO2 de Galicia, procedendo a maior parte da planta de Endesa. De feito, debido á presenza en Galicia destas plantas, as nosas emisións medias por habitante (ao redor de 9,9 toneladas/ano) superan as medias do Estado español e as da UE. A suma das emisións das súas centrais, que descendera entre 2007 e 2010 (pasara de 14 millóns de toneladas a pouco máis de 5), volveron incrementarse dende entón, crecendo ata as 11,5 millóns de toneladas en 2012 e algo máis de 10 millóns en 2013, favorecidas polos obstáculos ás enerxías renovables e a dispoñibilidade de carbón barato. O pasado ano a Comisión Europea rexeitou o Plan Nacional Transitorio sobre emisións industriais presentado polo Goberno central, sinalando en concreto as emisións da central térmica das Pontes, que obrigou a limitar. O informe La calidad del aire en el Estado español, elaborado por Ecologistas en Acción, alertaba de que a contaminación provocada pola grande industria ou as centrais térmicas espállase por Galicia "afectando zonas máis afastadas e rurais". |
NOS_44748 | Lonxe de fomentar a cooperación na aula, a Consellaría de Educación impulsa un certame que chega á súa final con 80 escolares de primaria competindo polo título de "superlíder". | A Xunta de Galiza difunde a celebración da fase final dun certame anunciando que "oitenta escolares compiten en Santiago por seren superlíderes". O obxectivo é, segundo a Consellaría de Educación -organizadora do certame- fomentar, motivar e sensibilizar o alumnado de 3º e 4º de primaria no espírito emprendedor. A fase final, denominada o "Día dos superlíderes", consiste en "enfrontar" o alumnado por roles, segundo explica no seu comunicado a propia Consellaría. Enfrontaranse "expondo en quendas de tres minutos dúas solucións aos retos que se lles propoñan", e o reto consiste en buscar as habilidades de "liderado". Iniciativas como o certame de "Superlíderes" xa foron obxecto da crítica da comunidade educativa, que olla con preocupación un ensino en que, en consonancia coa Lomce, cada vez priman máis os criterios de competitividade, en detrimento da cooperación e a corresponsabilidade. De feito, o anteproxecto desta lei educativa iniciaba cunha clara declaración de intencións, afirmando que "a educación é o motor que promove a competitividade da economía". Coa Lomce, instauráronse as reválidas, que contaron con grande oposición das Ampas, sindicatos, movemento estudantil e formacións políticas, que se mobilizaron en reiteradas ocasións na Galiza para frealas. Desde a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público teñen cualificado as reválidas como "unha resposta exclusivamente a unha concepción segregacionista e competitiva da educación". Sinalan que "contribúen a excluír o alumnado máis desfavorecido socialmente do dereito á educación e a asentar unha estrutura curricular ao servizo do neoliberalismo". "Superlíderes e espírito emprendedor en alumnado de 3º e 4º de Primaria. Sen comentarios". Nesa mesma liña, o Secretario Nacional da CIG Ensino -o sindicato maioritario no ensino público-, Suso Bermello, vén de denunciar a través da súa conta de twitter o fomento da competitividade por parte da Xunta, coa realización deste certame: "Superlíderes e espírito emprendedor en alumnado de 3º e 4º de Primaria. Sen comentarios". A Xunta promociona o emprendemento como unha aventura Co certame de "Superlíderes", a Xunta teima na promoción do "emprendemento" como unha aventura trepidante entre a mocidade, obviando dificultades e riscos que están a padecer persoas autónomas, perante as imposibilidades de accederen a crédito ou ante a carencia de acompañamento e de axudas públicas. A chamada da Xunta á mocidade para ser "emprendedoras e emprendedores" está a xerar unha burbulla do autoemprego, cun gran volume de persoas que se atopaban en desemprego e que se deron de alta como autónomas. Moitas delas invisten as súas prestacións por desemprego e mesmo endebédanse, sen previamente recibiren asesoramento sobre as posibilidades, entorno e análise de mercado. Nesa liña, desde a Federación de Autónomos de Galiza cifrouse, para o número 297 do semanario Sermos Galiza, a mortandade destes novos negocios nun 80%, fracasando en menos de tres anos, coincidindo coa fin das axudas ou bonificacións. |
NOS_48967 | A Asociación O Sorriso de Daniel reclama a través dun comunicado unha xestión "democrática" e denuncia o "desgoberno" do noso patrimonio. A desinformación por parte das institucións e a mobilización cidadá nos casos de Sarria e Monterrei son os exemplos. | En Sarria, alén da tala de amieiros que está a defender a veciñanza coa súa loita, as obras destruirán un arco románico dunha das pontes máis relevantes do Camiño de Santiago. "Non se informa nin dos obxectivos, nin do plan de traballo, nin do orzamento, nin do mantemento", denuncian no Sorriso de Daniel dunha situación parella á que se dá nas obras do Castelo de Monterrei, do que a Consellaría anunciou o obxectivo de converter na nova sede do Parador coas obras xa comezadas. O manifesto do Sorriso apunta a que se Sarria fose Dinamarca ou se Monterrei pertencese á Auvernia francesa nada tería acontecido desta maneira. "As asociacións veciñais, culturais, ecoloxistas da Vila terían recibido hai meses un extenso informe co plan das obras e terían sido convocadas para debater as emendas que propuxesen ao mesmo", apuntan,diante da ameaza de destrución dunha ponte de oitocentos anos ademais dos amieiros ou mesmo da situación na que queda o Castelo de Monterrei en canto a accesibilidade ou a ausencia de catas arqueolóxicas previas ás obras. A creación da Plataforma polo Río e en Monterrei mais Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei poñen de relevo, ao seu ver, "que hai unha cidadanía capaz, valente, honesta e preocupada polo seu patrimonio e disposta a pelexar pola herdanza dos seus fillos". Reclaman, polo tanto, o fin dos silencios administrativos e a xestión democrática do patrimonio, unha demanda que pon á vista a través destes dous exemplos mais que se "están dando en paralelo neste momento pero igual situación se reproduce por toda a xeografía e con administracións diferentes". |
NOS_29321 | O xuíz do Contencioso-administrativo nº11 de Madrid rexeita a medida da Delegación do goberno en Madrid a raíz do recurso presentado pola asociación Drets en defensa dun seareiro culé. | A xustiza dá vía libre á estelada para que poida ondear este domingo na final da Copa que desputarán en Madrid o Barça e Sevilla, tombando así a decisión da Delegación do goberno na capital do Estado, que prohibía a entrada ao estadio Vicente Calderón (sede da Copa) da bandeira independentista. O xulgado contencioso-administrativo número 11 de Madrid estimaba así parcialmente o recurso presentado pola asociación 'Drets'. O FC Barcelona presentou un recurso no mesmo sentido, mais este está en mans doutro xulgado, o número 15. O maxistrado Jesús Torres adoptou a decisión após recibir as alegacións da Fiscalía e Avogacía do estado nesta sexa feira, e na que defendían e avalaban a prohibición da estelada. O xuíz acepta o criterio de 'Drets', que reclamaba a suspensión "automática para deixar sen efecto a execución da instrución da delegada do goberno". 'Drets' presentara un recurso administrativo especial de "protección dos dereitos fundamentais recollidos na Constitución española e a Declaración de dereitos humanos". Antes de se coñecer a decisión, a ANC anunciara que en caso de se manter a prohibición, repartirían 10.000 bandeiras escocesas como protesta. O presidente da Generalitat e a alcaldesa de Barcelona, que anunciaran que non irían á final de Copa de se prohibir a entrada coa bandeira no estadio, xa anunciaron que finiquitada esa prohibición, si que acudirán. |
PRAZA_4124 | A ponte que une o polígono da Agrela cunha área comercial, cualificada como "escultura excepcional" por Feijóo, está a ser reparada tras os danos causados pola choiva durante a súa pavimentación. | "Estou convencido de que está tan ben feita que quedará para sempre". Núñez Feijóo advertía a finais de 2019, durante a súa inauguración, que a pasarela que une o polígono industrial da Agrela coa área comercial Marineda City na Coruña faría honra ao que el e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, consideraron "emblema da Coruña", "escultura excepcional" ou "arco de entrada" da cidade.A pasarela que une un polígono industrial e unha área comercial, de 200 metros, foi cualificada de "emblema da Coruña" ou "escultura excepcional" por FeijóoEsta pequena ponte de 200 metros, de forma curvada e sen apoio central que foi inaugurada con máis dun ano de atraso, chegou con polémica polos fastos organizados para a súa inauguración e por ser erixida polo PP como símbolo do investimento da Xunta na Coruña. Custou algo máis de 1,5 millóns de euros e o 80% desta cantidade foi financiada a cargo dos fondos europeos FEDER. Esta semana, menos de seis meses despois da súa inauguración, a pasarela está en obras, co pavimento levantado e pechada á circulación ata, polo menos, a vindeira fin de semana. Segundo a Consellería de Infraestruturas, os traballos son obrigados polos "problemas" creados pola adversa climatoloxía na pasarela durante as obras de pavimentación, "realizadas en época de moita choiva". Os labores de agora son, segundo aclarou a Axencia Galega de Infraestruturas, "unha reparación puntual aproveitando estes días de confinamento, xa que durante os traballos deberá manterse cortado o tránsito peonil".A Consellería de Infraestruturas xustifica a "reparación puntual" polos "problemas" que as choivas crearon durante a súa pavimentaciónA inauguración da obra, tantas veces requirida pola Asociación de Empresarios da Agrela e reclamada xa polo goberno local bipartito de PSOE e BNG hai oito anos, cando abriu o centro comercial, chegou no Nadal de 2019 con varios meses de atraso. Formalizada a adxudicación a finais de xaneiro de 2018, o prazo de execución era de nove meses. En abril dese ano, a Xunta anunciaba decembro daquel exercicio como o final dunha obra que acababa de comezar. En setembro, o Goberno galego teimaba na mesma data. Algo máis tarde, e visto que os traballos non ían todo o rápido previstos, a Consellería de Infraestruturas confiaba en que a inicios de 2019 estivese lista a pasarela, que pasou logo a ter como obxectivo a súa finalización en setembro, cando tampouco quedou rematada. Finalmente, e logo de que a estrutura fose colocada en verán, Feijóo acudiu a finais de decembro á inauguración dunha ponte que chegaba cun ano e case dous meses de atraso. Incluía, ademais, o logotipo da Xunta de Galicia. "É unha escultura a ceo aberto, patrimonio público da cidade", dixera Feijóo, que cre que a obra "está tan ben feita, que quedará para sempre". Durou menos de seis meses. Segundo a Consellería de Infraestruturas, o custo da reparación agora acometida "é asumida pola empresa construtora". Os traballos a realizar durarán, en función das condicións meteorolóxicas", ata a fin de semana que vén. E consisten no fresado do pavimiento e pulido de formigón, a aplicación do morteiro na plana da viga para evitar enchoupamentos e a preparación final do firme. |
NOS_30255 | Científicas e científicos da USC no Centro Singular Cretus, en colaboración co Instituto de Investigación en Análises Químicas e Biolóxicas (Iiaqbus), descubriron que a exposición combinada a partículas contaminantes como o carbón negro xunto a radiofrecuencias como as que estarían presentes nunha rede sen fíos Wifi podería favorecer enfermidades respiratorias e cardiovasculares. | Como se realizou esta investigación? Fixemos estudos in vitro en laboratorio coa exposición combinada de partículas contaminantes do ambiente xunto co efecto da radiación cunha frecuencia que emprega, por exemplo, o Wifi que podes atopar nun parque no exterior. Vimos os efectos e neste caso foi a través de células inmunitarias, macrófagos, unha liña que se emprega moito para estudar a contaminación ambiental. Xa tiñamos experiencia previa por ter realizado seguimento de campos electromagnéticos e agora comprobamos os efectos biolóxicos entre a contaminación e os campos electromagnéticos. Empregamos un rango bastante grande de partículas de contaminación por ser o primeiro estudo que facemos deste tipo. A partir de agora faremos análises máis específicas. Os efectos destas partículas están tipificados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) por tamaños e por efectos. Sábese que son bastante nocivos. No caso dos campos electromagnéticos tamén, mais que coñezamos non hai estudos en que se combinen ambos. Cales foron os resultados? Comprobamos que con concentracións máis baixas das que se describen nalgunhas publicacións ao interaccionar coa radiación increméntase exponencialmente a toxicidade. Segue a ser un modelo a nivel de laboratorio. Haberá que ver se estes efectos tamén se dan en mamíferos. É importante malia ser un comezo. A nivel de comité de bioética está moi restrinxidos este tipo de estudos con seres vivos mais temos que seguir a liña habitual. Empregamos as directrices da OMS que afirman que en células de tipo inmunitario a radiación afecta bastante á leucemia e a contaminación ambiental tamén, por ser a primeira barreira que pon o organismo nos mamíferos para contrarrestar o seu efecto. O tempo de exposición ás partículas contaminantes e á radiación inflúe? Non foi moi grande neste estudo. Na nosa investigación foi de entre 48 e 72 horas. En todo caso, sabemos que canto maior é o tempo de exposición a previsión é que a afectación tamén sexa maior. Acontece con calquera enfermidade que poida ter un antecedente ambiental por contar cun compoñente inflamatorio importante. Hai moitos estudos sobre esta temática? Móvome nesta liña de investigación desde 2004 e hai moitos. A cuestión é que hai estudos que non interesa que saian á luz e outros, por ter diferentes metodoloxías, in vitro e con animais, son moi criticados. Algúns afirman que non se poden extrapolar aos humanos. Nesta última cuestión é parcialmente certo e non se poden relacionar 100% mais si son un comezo para máis pesquisas. Hai investigacións epidemiolóxicas a nivel clínico que din que hai unha afectación cardiolóxica e respiratoria, polo que hai que meterse no laboratorio e pórse a facer estudos. A OMS contemplou que moitas das enfermidades cardiovasculares e respiratorias teñen un compoñente ambiental que acelera as mortes en Europa. A maior parte de estudos biolóxicos fanse en Francia e Alemaña porque teñen antecedentes de partidos ecoloxistas moito máis fortes que os que temos nós. Agora comezan a facerse aquí. En Francia o Wifi xa se prohibiu nas escolas. Depende da cultura medioambiental. Investigadoras e investigadores temos que ter moito coidado cando difundimos os datos, hai que facelo con responsabilidade. As publicacións científicas están aí, co acceso libre para todo o mundo. Agora hai unha preocupación importante co 5G. Hai un abundante enfoque tecnolóxico. En moitos casos non interesa que se saiban os efectos, pagan moito as telefónicas. |
NOS_30828 | A 66ª Festa do Albariño de Cambados vivirá un espectáculo musical insólito. A Orquestra de Jazz de Galicia embarcou nun aventurado proceso de fusión entre a tradición galega, a copla e a canción de autor pop célebres practicantes dos mencionados xéneros. Esta sexta feira, 3 de agosto, amosárano ao público. | Uxía, Martirio e Pedro Guerra serán protagonistas vocais dunha noite -o concerto comezará ás dez e media na Praza de Fefiñáns e conducirao Xurxo Souto- que desde a Orquestra definen como "moi arriscada para unhas festas". A Concellaría de Cultura de Cambados está detrás deste intento de abrir a veterana Festa do Albariño a outro tipo de músicas. Pedro Lamas e Roberto Somoza dirixen a Orquestra de Jazz de Galicia, que conta uns 25 músicos. O ano pasado xa se internarán polas vías experimentais e, nunha investigación sobre o entroido e o son do folión do Macizo ourensán, conseguirán alistar Santiago Auserón, Nastasia Zürcher ou Wöyza. Tamén o presentaron en Cambados. "É moi difícil colocar propostas así nunhas festas", sinalan desde a Orquestra de Jazz, e salientan a ousadía do concello. O repertorio que presentarán a sexta feira fará "convivir Pascual Veiga, Rosalía de Castro e a copla española". Un ano de ensaios precédenos. "Martirio e Pedro Guerra axiña aceptaron o convite", explican, "porque cando presentamos a nosa cultura fóra, xeramos moita simpatía e curiosidade". |
PRAZA_111 | Representantes de sindicatos e movementos sociais de todas as nacións do Estado participaron este sábado na asemblea de coordinación das Marchas, que confirmaron tres grandes citas: unha gran manifestación en Madrid o 21 de marzo, a celebración do 1º de maio e unha folga xeral o 22 de outubro. | Representantes de sindicatos e movementos sociais de todas as nacións do Estado participaron este sábado en Cangas na asemblea de coordinación das Marchas da Dignidade, que confirmaron as tres grandes citas de mobilización para este 2015 que xa foran anticipadas nas últimas semanas: unha gran manifestación en Madrid o 21 de marzo, a celebración conxunta do 1º de maio e unha folga xeral o 22 de outubro. Nas xuntanzas participaron homes e mulleres de IAC de Catalunya, SAT de Andalucía, ESK de Euskal Herria, Confederación Intersindical, CGT, CNT, Intersindical Valenciana, COBAS, CUT, ATTAC, Campamento de la Dignidad de Extremadura, Frente Cívico- Somos Mayoría ou Corriente Roja, representando as columnas nas Marchas da Dignidade de Asturias, Catalunya, Euskal Herria, Madrid, País Valencía, Andalucía e Murcia. As Marchas confirmaron tres grandes citas de mobilización para este 2015: unha gran manifestación en Madrid o 21 de marzo, a celebración conxunta do 1º de maio e unha folga xeral o 22 de outubro A asemblea estendeuse ao longo de todo o día, superando amplamente o horario previsto inicialmente, como destaca Manolo Caamaño (CUT): "Foi unha xuntanza moi participada, o que é normal cando hai tanta xente e ademais con perfís distintos, procedentes de realidades nacionais diversas, todo iso fai que haxa que unificar criterios". As xuntanzas confirmaron o que xa estaba deseñado como folla de ruta e veu encher de contido os tres obxectivos que xa estaban enriba da mesa. A máis inmediata, a gran manifestación do vindeiro 21 de marzo en Madrid, que quere repetir o éxito acadado o pasado ano. A segunda, a convocatoria de marchas polo Primeiro de Maio, unhas mobilizacións que "non significan invisibilizar o papel dos sindicatos clasistas e alternativos", senón "a necesidade de compartir o protagonismo cos movementos sociais, na liña estratéxica da unidade obreira e popular". E a terceira, a folga xeral que o vindeiro 22 de outubro teñen previsto convocar as Marchas da Dignidade e todas as organizacións que as apoian. Manolo Caamaño destacou o "entusiasmo" que se puido percibir este venres e sábado en Cangas: "Vimos de mobilizarnos hai pouco máis dun mes e estamos nun momento no que se percibe que a xente comeza a quentar motores". Engadiu que agora a columna galega das Marchas da Dignidade e as organizacións que as apoian teñen a tarefa de "realizar o deseño concreto a nivel galego do que imos facer nos vindeiros meses". "Vimos de mobilizarnos hai pouco máis dun mes e estamos nun momento no que se percibe que a xente comeza a quentar motores" 2015 será un ano de mobilizacións e pode ser tamén un ano de cambios políticos e de mudanzas electorais, dende Grecia á Moncloa pasando polos concellos e moitos parlamentos autonómicos. Manolo Caamaño destaca que "as Marchas da Dignidade somos un movemento de unidade obreira e popular, non somos unha fronte política e non somos un partido, pero as Marchas non nos abstraemos da realidade e dun contexto político electoral que neste 2015 vai ter moita importancia". Engade que "temos unhas citas fundamentais, comezando pola máis inmediata: a de Grecia. E nos comicios conta moito a mobilización popular, como de feito cremos que xa sucedeu nas eleccións europeas, cando a manifestación do 22 de marzo tivo un impacto grande no debilitamento do bipartidismo". "Ese é o noso papel, e cada un debe estar no seu papel. As marchas da dignidade queren tumbar este Goberno, pero queren fundamentalmente tumbar o réxime. Partimos de que este sistema non nos serve, e polo tanto non nos vale un cambio de cromos. Un discurso honesto de cambio no Goberno non valería de nada se non se cambia a base", conclúe, facendo fincapé na negativa a pagar a débeda ilexítima: "Unha das nosas consignas fundamentais, xunto coa de 'pan, traballo e teito' é a do non-pago da débeda ilexítima. Porque se seguimos pagando a débeda ilexítima, non teremos cartos para pagar o pan, non teremos traballo e non teremos teito". Acto de apoio, o venres "Ese é o noso papel, e cada un debe estar no seu papel. As marchas da dignidade queren tumbar este Goberno, pero queren fundamentalmente tumbar o réxime" Previamente á celebración da asemblea tivo lugar o venres en Cangas un acto público de apoio á Marchas da Dignidade, organizado pola CUT. Presentado pola actriz Mónica Camaño, nel interviron Pepe Cáccamo, Lluís Blanco (IAC), Nines Maestro (Red Roja), Gines Fernandez (Frente Cívica), J.M. Muñoz Poliz (CGT), Rafa. G. Escudero (S.F.-CI.), Javier Garcia (SAT) e Manolo Camaño (CUT) |
PRAZA_3003 | Como estaba previsto, o candidato socialista non acadou os votos necesarios para ser elixido Presidente. Na segunda votación só necesitará unha maioría simple, como a acadada este domingo (166 votos a favor, 165 en contra e 18 abstencións). | Non houbo máis sorpresas. Como estaba previsto, Pedro Sánchez non acadou na primeira votación a maioría absoluta necesaria para ser elixido Presidente. Na segunda votación, que se celebrará este martes, só necesitará unha maioría simple, como a acadada (166 votos a favor, 165 en contra e 18 abstencións). É dicir, se todos os deputados e deputadas manteñen a posición expresada este domingo, Sánchez será de novo Presidente do Goberno, á fronte do primeiro executivo de coalición dende a Segunda República.Na segunda votación, que se celebrará este martes, só necesitará unha maioría simple, como a acadada (166 votos a favor, 165 en contra e 18 abstencións)Ana Oramas (Coalición Canaria) votou finalmente non, en contra do decidido polo Consello Político do seu partido, que xa anunciou que "actuará cos seus estatutos para as indisciplinas que se produzan por calquera militante do partido" e pídelle a Oramas que cumpra o acordado, ou doutro xeito será expulsada da formación, esixíndolle ademais que renuncie á súa acta. O vindeiro martes, ademais, Sánchez sumará un voto favorable máis, o dunha deputada de Unidas Podemos que se atopaba de baixa este domingo.A segunda xornada de debate estivo marcada pola tensión e os insultos lanzados dende os escanos da dereita, sobre todo tralas intervencións das representantes de EH-Bildu e CUP. Os deputados de PP e VOX competiron por enunciar o discurso máis radical e furibundo contra Sánchez e os seus acordos con Unidas Podemos ou ERC, anticipando unha lexislatura marcada polo ataques conservadores ao Goberno progresista de coalición. Un dos momentos máis tensos viviuse precisamente durante a intervención da portavoz de EH Bildu, Mertxe Aizpurua. Dende os bancos da dereita sucedéronse os berros de "asasinos" e "terroristas"Como informa eldiario.es, entre as súas ameazas está a de manter a súa estratexia de xudicialización da política, advertindo ao novo Goberno de que acudirán aos tribunais a recorrer todas aquelas leis ou medidas que non lles gusten. Pero tamén aseguraron estar dispostos a tomar as rúas, nun plan moi similar ao que caracterizou á dereita na primeira lexislatura de José Luís Rodríguez Zapatero e que tivo que rectificar na segunda por non conseguir os réditos esperados, tras revalidar o PSOE o seu goberno.Un dos momentos máis tensos viviuse precisamente durante a intervención da portavoz de EH Bildu, Mertxe Aizpurua. Dende os bancos da dereita sucedéronse os berros de "asasinos" e "terroristas" e a súa quenda acabou con exclamacións de "viva o rei" e as protestas de PP e Ciudadanos á presidencia do Congreso baixo o pretexto de que se permitiu que a deputada da esquerda abertzale atacase supostamente ás institucións do Estado. A tensión chegou a tal punto que a presidenta do Congreso tivo que intervir en varias ocasións: "No Parlamento deféndense as posicións políticas mediante a palabra, non mediante o berro ou o insulto. Prégolles silencio. Poden deixar de berrar por favor?", dixo Batet. Tamén Pablo Iglesias e Gabriel Rufián tentaron mediar na discusión a través de xestos nos que pedían silencio a quen berraban.Meritxell Batet lembrou que hai décadas non se podían expresar libremente no Congreso as ideas e asegurou que "non se pode volver a esa época", unha resposta que foi seguida de aplausos das deputadas e deputados do PSOE e Unidas Podemos, postos en en pé."O espazo da moderación e a temperanza, se o representa alguén na Cámara é a coalición progresista que vai gobernar España nos próximos 4 anos", dixo SánchezNa última intervención de Pedro Sánchez, xusto antes da votación, o candidato socialista cargou contra "a coalición da apocalipse" e a súa "España en branco e negro". "Deixemos o rancor aos que perderon as eleccións e non asumen a vontade popular", subliñou Sánchez, que volveu reivindicar a "coalición progresista". O presidente aínda en funcións remarcou que "hai un síntoma preocupante que é a colonización do discurso do espazo conservador pola ultradereita". "O espazo da moderación e a temperanza, se o representa alguén na Cámara é a coalición progresista que vai gobernar España nos próximos 4 anos", engadiu.Nomes no vindeiro GobernoEste domingo anunciouse que o sociólogo Manuel Castells será ministro de Universidades e o líder de IU Alberto Garzón ocupará a carteira de Consumo, con competencias sobre o xogo e as casas de apostas. Os seus nomes únense aos dos restantes integrantes da parte do Goberno propostos por Unidos Podemos: Pablo Iglesias (vicepresidente de Asuntos Sociais), Irene Montero (ministra de Igualdade) e Yolanda Díaz (ministra de Traballo).O PSOE aínda non anunciou todos os seus ministros ou ministras, pero xa é seguro que continuarán Carmen Calvo, Nadia Calviño, José Luis Ábalos, Fernando Grande-Marlaska, María Jesús Montero ou Teresa Ribera. |
NOS_34246 | A área sanitaria de Vigo, con 154, lidera os novos positivos. Soben a 481 os pacientes con Covid hospitalizados, deles 67 en UCI. | Galiza rexistrou outros 618 positivos por Covid-19 confirmados por PCR nas últimas 24 horas, deles 156 na área de Vigo, 123 na da Coruña e Cee e 113 na de Santiago. Deste modo Galiza abeira os 8.000 casos activos ao ascender a 7.930. Así se constata nos datos actualizados na mañá de hoxe na web da Consellería de Sanidade con cifras até as 18,00 horas desta cuarta feira, recollidos por Europa Press, dos que se sinala que a área de Ourense suma 59 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas; a de Ferrol, 58; a de Pontevedra e O Salnés, 57; e a de Lugo, 52. En canto aos casos activos, ascenden a 7.930 na Galiza, o que supón 395 máis que onte. Medra a presión hospitalaria: 67 persoas nas UCI (+5) e 414 en planta (+22) Estes aumentan en todas as áreas, agás na de Ourense, na que baixan lixeiramente a 1.407 -sete menos-. A de Vigo mantense á cabeza, con 1.624, o que supón 122 máis que a xornada pasada. Pola súa banda, a área Sanitaria da Coruña e Cee conta con 1.358 casos activos, o que supón 73 máis; a de Santiago e Barbanza, 1.251 -65 máis-; a de Pontevedra e O Salnés sobe a 838 -57 máis-; a de Lugo colócase con 782 -39 máis- e a de Ferrol ten 670 -50 máis-. Até a data realizáronse 663.251 PCR en toda Galiza. O total de contaxiados ascende a 35.089 no que vai de pandemia. Con respecto aos falecidos con Covid-19, ascenden a 889 após notificar Sanidade na tarde desta cuarta feira a morte de sete persoas, tres delas na residencia dos Gozos do Pereiro de Aguiar. A primeira morte computada na Galiza na denominada 'nova normalidade' foi a dunha muller o 7 de agosto. Antes diso, Galiza encadeara case dous meses -desde o 10 de xuño- sen decesos relacionados co coronavirus. |
NOS_26783 | Cristina Pérez Herraiz lidera a candidatura de En Marea por Lugo "co obxectivo de levar unha voz comprometida cos problemas de Lugo e de toda Galiza" ao Congreso. Confesa que foi o seu traballo nunha oficina de emprego o que a "sensibilizou sobre a dura emerxencia social". Nos últimos anos foi concelleira e voceira municipal de Lugonovo. | Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A? Son unhas eleccións que se xogan en dous niveis simultáneos. Por unha banda, xogámonos unha axenda social fronte a unha axenda reaccionaria nun sentido múltiple: económico, social, no estado de benestar, nos dereitos das mulleres, no impacto ambiental da actividade humana… Pola outra, xogámonos unha representación territorial digna para o noso país, que atenda á nosa axenda de necesidades específicas. Necesitamos unha voz galega que garanta unha axenda progresista De pouco nos valen as mellores promesas se á hora de plasmalas materialmente en Galiza seguimos estando á cola dos indicadores sociais e económicos do Estado, como por exemplo nas pensións das persoas maiores. Necesitamos unha voz galega que garanta unha axenda progresista centrada na realidade material galega para acabar coa nosa condición de dobre periferia, europea e española, ou incluso tripla no caso das provincias de Lugo e Ourense. Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza? Mala. Tres anos de Raxoi ao que sucedeu un ano de Pedro Sánchez que, máis alá de demostrar un coñecemento notábel das técnicas e rutinas da propaganda, non foi quen de atender ás cuestións que atinxen ao noso país e preferiu sumarse ao voluminoso grupo de presidentes españois insensíbeis á problemática galega. Non se quixo dar un paso máis alá para cubrir as necesidades do noso país: a axenda social galega. Houbo unha mellora discursiva cando se trocou a ladaíña da austeridade pola da axenda social, pero non se quixo dar un paso máis alá para cubrir as necesidades do noso país: a axenda social galega. O noso país non se viu representado e asiste a unha función teatral nun idioma distinto. Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza? Creo que os problemas que afectan ao noso país son un conxunto interconectado deles derivado da situación periférica que comentaba antes. Resulta difícil separar tres porque, metaforicamente, se os separamos desa "bóla" vemos que quedan enganchados entre outros problemas cos que están ligados. Pero aqueles dos que pola miña propia experiencia persoal podo falar, os que me quitan o sono, son o envellecemento da nosa poboación, o crecemento da fenda interna na Galiza das dúas velocidades e a ausencia de oportunidades para a nosa mocidade e tecido produtivo. En relación ao primeiro punto, témome que nos achegamos a unha sociedade envellecida que esquece unha parte tan importante da vida e da planificación social como son os coidados. En Lugo, onde son concelleira, temos traballado moito por este problema, pero precisamos unha estratexia integral. Os tres problemas afectan en maior ou menor medida ao conxunto do país, pero no interior é onde os tres, entrelazados, se deixan sentir con maior forza. Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso? Penso que máis que un nome concreto, o noso referente é unha figura: a muller politicamente empoderada. Estamos a asistir a unha época onde cada vez hai máis mulleres en postos de representación e xestión política, e con resultados notables. Na maior parte dos casos son perfís moito máis empáticos e moito máis eficientes que aqueles aos que estabamos afeitos como sociedade. Somos, con diferenza, a candidatura con maior presenza de mulleres Creo que estamos a dar un paso de xigante pola igualdade e que a feminización da política, xa non só nun sentido biolóxico senón cultural e de actitudes, é unha conquista e a brúxula que guiará o noso labor parlamentario. Por iso somos, con diferenza, a candidatura con maior presenza de mulleres, especialmente en postos de saída, do noso país. Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso? É probábel que vaia encamiñada en materia de infrestruturas, especialmente pola situación lamentable da circunscrición pola que me presento e polo tipo de competencias que atinxen ao Congreso dos Deputados. Porén, En Marea no Congreso será caixa de resonancia da voz diversa, plural e rebelde de Galiza. Iso significa que moi probablemente comezaremos cunha batería que visibilice a axenda galega e se deseñe atendendo á situación específica de todas as circunscricións electorais. Como ve as opcións de En Marea na cita electoral? Creo que durante varios anos o proxecto de En Marea, como un espazo de encontro das sensibilidades comprometidas con Galiza e cunha axenda social de mudanza, que son a mesma cousa nun país periférico coma o noso, ten demostrado sólidos apoios electorais. Imos a unhas eleccións cruciais para dar voz e voto á maioría social galega Nós imos a unhas eleccións cruciais para dar voz e voto á maioría social galega nun escenario que dende o poder -o poder real, o feixe escaso de familias que o ostentan no Estado- tentará deseñarse como un momento de involución política. Nós temos completa confianza en que o pobo galego negará unha saída reaccionaria á actual situación no Estado e para iso escollerá En Marea. Fronte a uns partidos de réxime que queren converter Galiza na "España baleira" e marcala en propiedade nunha casilla, nós imos ao Congreso para defender a nosa casa." |
NOS_28152 | Preocupación da ONU e da Unión Africana ante o aumento da tensión polos movementos en torno ao paso de Guerguerat. | O Goberno de Marrocos acusou a fronte Polisario de pór en perigo o cesamento do fogo no Sáhara Occidental polos seus últimos movementos en torno ao paso de Guerguerat, na fronteira con Mauritania, e asegurou que actúa en claro "desafío" ao secretario xeral da ONU, António Guterres. O paso de Guerguerat, que a Polisario considera "ilegal", converteuse nas últimas semanas en escenario de tensións. Activistas saharauís acamparon na zona para reclamar a saída das tropas marroquís, mais as autoridades da República Árabe Saharauí Democrática (RASD) denunciaron un reforzo militar. En concreto, a Polisario denunciou a presenza de vehículos militares e de soldados camuflados con roupas civís para se infiltrar na zona. Neste sentido, o Goberno da RASD emitiu un comunicado na segunda feira advertindo de que calquera incursión marroquí consideraríase unha "agresión flagrante á que a parte saharauí responderá con firmeza, en lexítima defensa da súa soberanía nacional", o que suporía "abrir a porta ao estalido dunha nova guerra total na rexión". Rabat respondeu esta quinta feira a través dunha fonte diplomática citada pola axencia de noticias oficial marroquí MAP. Esta denunciou o "bloqueo" do paso por parte dos "separatistas", "provocacións" ás forzas marroquís e "intimidación" de tropas da Minurso, a misión de paz despregada por Nacións Unidas e cuxo mandato foi anovado en outubro. O Goberno de Marrocos, polo tanto, pon a responsabilidade do mantemento do cesamento do fogo, asinado en 1991, en mans da Polisario, a quen advertiu de "absterse de calquera acto susceptíbel de desestabilizar a situación ou de comprometer a reactivación do proceso político", actualmente estancado. Ademais, asegurou estar actuando con "mesura" e "sabedoría". Chamamento á calma Ao respecto, a Unión Africana (UA), a través dun comunicado emitido polo presidente de Suráfrica, Cyril Ramaphosa, en calidade de presidente de quenda deste organismo rexional, reclamou ás partes unha "volta ás negociacións" e respectar os términos do acordo entre a UA e a ONU. Este inclúe tanto un cesamento do fogo como un referendo de autodeterminación para o pobo saharauí. Tamén o secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres, mantivo na cuarta feira unha conversa co ministro mauritano de Exteriores, Ismael Ould Cheikh Ahmed, onde se expresou a preocupación de ambos os dous pola gravidade da situación e polo perigo de que esta desemboque en actos de violencia. |
NOS_11292 | O Presidente do Goberno español aproveita os festexos pola discutida Constitución para negar que pense en adiantar os comicios xerais, nos que quere volver ser cabeza de lista polo PP. | O presidente do Goberno español e do Partido Popular, Mariano Rajoy, confirmou este sábado que ten intención de esgotar a lexislatura e de presentarse á reelección como cabeza de lista do seu partido nas próximas eleccións xerais. Así o asegurou el mesmo nunha conversación informal cos xornalistas no Salón dos Pasos Perdidos do Congreso, onde se celebrou o acto de celebración do trixésimo sexto aniversario da Constitución, que está sendo nestes tempos moi discutida pero que defendeu, negándose a calquera reforma e garantindo a "unidade de España". O presidente do Goberno deixou claro ante os medios de comunicación que non haberá eleccións anticipadas este ano -non as fará coincidir coas locais de maio- e que, se así o acpta o seu partido, el volverá ser o cabeza de cartel do PP nos comicios estatais, previstos para novembro de 2015. |
NOS_53174 | Feixoo recibe os eloxios de dous presidentes autonómicos: Juanma Moreno, de Andalucía e Alfonso Mañueco, de Castela e León. | O presidente en funcións da Xunta de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco e o presidente da Xunta de Andalucia, Juanma Moreno, eloxiaron publicamente Alberto Núñez Feixoo ao seren preguntados acerca da posibiladade de que presente a súa candidatura á presidencia do PP. Mañueco: "Feixoo é un referente" Mañueco, pediu facer "todos os esforzos necesarios" para que haxa unha "candidatura de unidade" no PP, aínda que considera que corresponde ao partido "no seu conxunto" decidir "quen e como". Así o indicou hoxe após unha reunión co candidato de Vox, Juan García-Gallardo, dentro da rolda de contactos para a conformación dun futuro goberno na Comunidade. Preguntado por unha posíbel candidatura do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, indicou que "non é o máis obxectivo para falar" do líder galego, e que lembrou que os une "unha gran amizade". Para alén diso, destacou que se trata dun "referente" para o PP e que ten un "liderado moral indiscutíbel". Moreno: "Feixoo é unha figura de referencia" Pola súa parte, o presidente da Xunta de Andalucía, Juanma Moreno, reclamou tamén hoxe "xenerosidade" cos compañeiros que dean un paso á beira e cos que poidan chegar nestes momentos de "terríbel crise" no PP e non quixo manifestar se o presidente da Galiza, Alberto Núñez Feijóo, debería tomar as rendas do partido, limitándose a apuntar que é unha "figura de referencia", o "decano dos presidentes e unha persoa moi respectada non só no ámbito do partido, senón tamén no ámbito social". Moreno engadiu: "Temos un gran problema no partido, o maior problema que tivemos na nosa historia". |
NOS_14959 | Sete corredoras participarán na Volta ao Nordeste organizada pola Associação de Ciclismo de Bragança. | A aposta da Federación Galega de Ciclismo (FGC) pola participación feminina traspasa fronteiras. A selección da Galiza cruzará esta fin de semana sobre o río Miño para participar o sábado e o domingo na Volta ao Nordeste. Catro corredoras cadetes e tres júniors defenderán as cores do país polas estradas portuguesas. Carlos Canal: "Hai un problema no ciclismo de base que se traduce na ausencia de profesionais" A convocatoria, confeccionada polo seleccionador Jacobo Ucha, compóñena o cuarteto cadete formado por María Filgueiras (Río Miera-Meruelo), Lorena Patiño (Compostelano-Mobles Compostela), Lara Fuentes (Cambre) e Lucía Ballester (Betanzos), e o trío xuvenil que integran Laura Mira (Supermercados Froiz), Carmen Mallo (Cambre) e Andrea Prado (Betanzos). A expedición complétana Daniel López (mecánico) e Iván Losada (auxiliar). Bo momento da selección A Volta ao Nordeste porá a proba ás ciclistas tres semanas despois da súa participación no Campionato de España, onde Filgueiras conseguiu a medalla de ouro na contrarreloxo individual e Patiño fíxose co título en XCO, e cando resta un mes para que a selección feminina xuvenil dispute en Euskal Herria a Bizkaikoloreak, cita da UCI Women Junior Nations' Cup. Trío de galegos no Tavira, un dos grandes do ciclismo en Portugal Segundo explican desde a Federación "o noso traballo vai encamiñado a ofrecer ás corredoras un completo calendario que inclúe competicións fóra da Galiza para axudalas no seu crecemento deportivo e fomentar o ciclismo feminino". A rolda organizada pola Associação de Ciclismo de Bragança comeza este sábado cun percorrido entre Carrazeda de Ansiães e Vila Flor, de 93,4 quilómetros para as xuvenís e de 62,6 para as cadetes, con final en alto. O domingo as dúas categorías afrontarán a mesma distancia, 64,9 km, con saída en Vila Flor e chegada a Mirandela. |
NOS_33520 | Un referendo convocado por unha iniciativa popular -ao terense reunido por volta de 400 mil asinaturas- expresou o NON do pobo holandés ao acordo entre Bruxelas e Kiev. | O referendo non é vinculante, mais politicamente ten un valor indubitábel. Representa unha derrota da coligazón gobernante, formada polos liberais e os socialdemócratas, que defendían o acordo con Ucraína. Os ultras do Partido da Liberdade e a esquerda dos socialistas radicais e o Partido dos Animais pediu o voto contrario. A participación foi moi baixa, o 32,2%, mais en todo caso suficiente para acadar validez, ao superarse o limiar do 30%. O 61,1% dos votos foron contrarios ao acordo con Ucraína, mentres que os sufraxios favorábeis ficaron non 38,1% Kiev -no ollo do furacán polo envolvimento do presidente pro-UE Poroshenko no escándalo dos Panama Papers- restou importancia ao NON holandés e mostrou a súa convicción de que nada freará o acordo con Bruxelas. En troca, a satisfacción en Moscova era evidente. O resto dos 28 membros da UE ratificaron o acordo pola vía exclusivamente parlamentaria. En Holanda a cuestión submeteuse a referendo porque existe unha lei que permite a convocatoria de consultas se estas teñen o suficiente respaldo popular. Desta volta foron 446.000 as asinaturas que demandaron a convocatoria das urnas (300.000 é o mínimo legal). Kiev -no ollo do furacán polo envolvimento do presidente pro-UE Poroshenko no escándalo dos Panama Papers- restou importancia ao NON holandés e mostrou a súa convicción de que nada freará o acordo con Bruxelas O primeiro ministro holandés, Mark Rutte, afirmou que unha vez que a participación no referendo ultrapasou o 30% do censo eleitoral "a ratificación [do acordo con Kiev] non pode ir adiante sen discusión". Cumpre lembrar que a asinatura do acordo con Bruxelas provocou un conflito en Ucraína entre os sectores pro-UE e aqueles partidarios da entente con Moscova. Un conflito bélico saldado coa partición do país e a incorporación de Crimea á Federación rusa. En Kiev goberna a direita, con participación de elementos pro-nazis, un factor que encheu de argumentos á oposición de esquerda holandesa á hora de propor o voto negativo no referendo. |
NOS_56412 | O Bloque foi o único grupo municipal que rexeitou facerlle o xogo á formación conservadora e votou contra a iniciativa, cuxo texto foi modificado após a sentenza da AN española que condena catro independentistas a 56 anos de cárcere. | Esquerda Unida e o PSOE votaron a favor da nova iniciativa que o PP está a presentar nos concellos galegos para pedir "a condena expresa de todo tipo de actos de terrorismo, entre eles os levados a cabo pola organización terrorista Resistencia Galega". Fixérono no último pleno de Cambre. Así as cousas, se xa nos últimos meses a formación conservadora quixera aprobar unha resolución institucional no Parlamento galego nesa mesma liña, idea que foi rexeitada polo conxunto da oposición xa antes de se presentar, o PP colleu azos após a sentenza da Audiencia Nacional española que condena catro independentistas a 56 anos de prisión e 36 de liberdade vixiada. Malia non ser firme a condena, o partido aproveitouna para mudar a redacción da iniciativa que presentara xa en 101 concellos galegos para facer máis fincapé no "terrorismo" da citada organización. En Cambre o PP levou o texto ao último pleno, realizado na quinta feira 26 de setembro, e conseguiu o apoio de todos os grupos municipais, agás o Bloque. Votaron primeiro @s edís do PSOE. Recriminaron que se usase esta cuestión para tapar a apoloxía do fascismo que fixeron dous alcaldes do PP (o de Baralla e o de Beade), mais finalmente deron o seu apoio á moción. De seguido chegou a quenda de Unión por Cambre, unha escisión do PSOE. Aquí os reproches estiveron centrados na invasión do Iraque e o voto foi tamén a favor. Os dous edís con que conta Esquerda Unida en Cambre desmarcáronse das declaracións que a este respeito ten feito o voceiro de AGE. Namentres Beiras insiste en afirmar que "non está probada" a existencia de tal organización, EU fixo unha crítica aos recortes en servizos públicos mais prestou o seu apoio ao texto do PP. BNG: "Sabendo que o máis doado era votar a favor, fixémolo en contra" Foi o grupo municipal do Bloque o único que votou en contra. O voceiro da formación frontista deixou claro o posicionamento en contra da violencia política, mais rexeitou lexitimar "o uso político e fraudulento" que o PP está a facer. "Sabendo que o máis doado era votar a favor, tanto polo asunto en cuestión como por ser nun concello como Cambre, opuxémonos", explicou Daniel Carballada en conversa con Sermos Galiza. A parabenización que na moción do PP se fai á garda civil e á policía española tamén lle serviu ao Bloque para se posicionar en contra. "Non cómpre esquecer que eles necesitan dese 'terrorismo' para facer política", enfatizou Carballada. O nacionalista denunciou, aliás, o oportunismo d@s conservador@s, que gobernan en minoría, á hora de presentar a iniciativa, pois escolleron un pleno onde a presenza de veciñas e veciños triplicaba as cifras habituais, ao se incorporar na orde do día o debate sobre un cambio na toponimia. Así, por volta de 60 persoas ateigaban a sala, cando nun pleno normal non se superan as dúas decenas. |
PRAZA_20112 | Os socialistas votarán por primeira vez a favor dunha investigación parlamentaria na Cámara Baixa sobre o sinistro ferroviario, pero o PP xa anunciou que volverá vetala e votará 'non' | O PSdeG únese á petición do resto da oposición para que o Congreso dos Deputados investigue o accidente de Angrois. Nun cambio de postura, o grupo socialista anunciou o voto a favor da proposición non de lei que En Marea presentou ante o pleno para que o Parlamento de Galicia inste o Goberno do Estado a crear a devandita comisión sobre o sinistro ferroviario, e que se votará este mércores. Será a primeira vez que o PSOE vote a favor de solicitar esta comisión de investigación. Até o de agora, optara sempre pola abstención ao defender que o lugar apara a devandita comisión debía ser o Congreso e non a Cámara galega. Desta vez, e tamén por primeira vez, o Parlamento debateu unha iniciativa que cingue a demanda da investigación ás Cortes. O PSdeG muda a súa postura e apoia a iniciativa para que o Parlamento inste o Goberno a crear unha comisión de investigación no Congreso A mudanza no PSdeG non foi tal no PP, que volveu anunciar o voto en contra e un novo veto malia as apelacións de En Marea, que lle recordou ao grupo popular o voto positivo do seu homólogo nas Cortes de Castilla y León. "Votaremos a favor dunha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois no Congreso dos Deputados e solicitamos comisión técnica independente", adiantou Xoaquín Fernández Leiceaga, portavoz socialista na Cámara galega, nun cambio de posición da que xa advertira antes o BNG. "Non sei se ten que ver co que pasou nas primarias do pasado domingo", dixo Luís Bará, deputada do Bloque. Precisamente, o BNG introduciu unha emenda para incluír a petición de que se crease unha comisión de investigación tamén no Parlamento galego e que foi rexeitada por En Marea, que aclarou que segue a reclamala pero que cre que "non é o momento" de solicitala para "poder aumentar o bloque a favor". Xa que logo, para non evitar unha volta atrás do PSdeG. "Ante a coalición do silencio do PP e PSOE, e tendo en conta que é moi importante que se investigue e aclare o sucedido diante dun Goberno e aparato do Estado que o único que fai e obstruír o coñecemento da verdade", En Marea xa aclarara que presentaba a iniciativa para a creación dunha comisión no Congreso "aínda que non se renuncia a que se cree tamén no Parlamento de Galicia". Leiceaga reclamou unha "explicación técnica, xudicial e política" ao accidente de Angrois Férnandez Leiceaga reclamou unha "explicación técnica, xudicial e política" ao accidente de Angrois. Así o aclarou durante o debate da PNL do Parlamento que foi emendada polos socialistas galegos para reclamar unha nova investigación independente e esacomisión de nvestigación no Congreso. A proposta, no sentido da que foi aprobada en Castilla y León coa abstención do PP, foi aceptada por En Marea, aínda que a proposición será votada este mércores. Para Leiceaga, esta iniciativa, xunto coa iniciativa do Parlamento de Castilla y León, tería un "valor simbólico relevante" como "chave para abrir a investigación no Congreso". O responsable socialista apostou por partir dunha investigación xudicial para "dilucidar outras responsabilidades máis alá das penais, que se as hai deben ser depuradas convenientemente". Ademais, subliñou que "o Parlamento de Galicia non é o ámbito adecuado" para esta investigación, xa que carece competencias sobre a conexión ferroviaria e polo tanto sería incapaz de "mandatar a políticos e técnicos" que compareceran. Antón Sánchez, que defendeu a PNL en nome de En Marea, advertiu que o feito de que o Parlamento galego apoiase a iniciativa "non sería menor porque axudaría a rachar o muro de incomprensión de Rajoy e o ministro Catalá". Ademais, acusou o PP de "cinismo e hipocrisía" logo de negarse de novo a votar a favor. Ferández Prado, deputado popular, acusou a oposición de impulsar a iniciativa "con fins partidistas". |
NOS_55398 | O profesional de orixe galega, que marchou a Euskal Herria atopando alí o seu espazo, despuntou por tratar temas como os do cuartel de Intxaurrondo. Ao sacar á luz distintas leas viuse afectado por querelas e detencións. | O xornalista ourensán mais afincado en Euskadi Pepe Rei finou esta terza feira aos 73 anos de idade. Segundo adiantou Naiz.eus, o profesional da comunicación tivera unha longa convalecencia por un accidente de tráfico no que se viu afectado en 2002. Ese incidente fixo que se apartara da súa paixón, o xornalismo, pero a súa voz seguía moi presente na profesión. Especial pesar teñen dentro da comunidade de 'Egin', onde o galego tivo un papel destacado polas súas reportaxes de investigación. Malia que Rei pasou por outros medios como Ardi Beltza -fechado por orde xudicial igual que Egin- e Interviú, a maior parte das súas principais pezas foron publicadas en Egin. Desde a súa área de investigación sacou á luz asuntos de grande polémica que tiñan no centro aos poderes e principais esferas da sociedade española e vasca. Isto, aló polos anos 80, implicou que fora vítima de represalias sendo detido e padecendo numerosas querelas. Por exemplo, lembra Naiz.eus que o seu despacho en Hernani chegou a ser rexistrado en 1994 e que foi "perseguido" até 2007 -mesmo estando xa apartado do xornalismo- ao ditarse unha condena por "calumnias" ao que fora xefe do cuartel de Intxaurrondo, Enrique Rodríguez Galindo. Nos seus textos, Rei tiña denunciado incansábelmente as actividades "delitivas" que decorrían na instalación, chegando a falar mesmo de "torturas". Con motivo do seu pasamento, lémbrase que a pesar das súas orixes galegas, este escritor marchou a Euskal Herria porque alí estaba o seu espazo quer no profesional, quer no político. |
NOS_20702 | O 29 de setembro de 1896 Mugares ergueuse contra a tentativa por parte da autoridade xudicial de facer efectivos varios embargos á veciñanza, resultando morto o alguacil de tributos Ildefonso Aydillo Santolalla. O conflito enmarcase na vaga de protestas que percorre ás comarcas galegas que se dedicaban á actividade vitivinícola en réxime de monocultivo, afectadas naquela altura pola filoxera. A acción dos activistas republicanos e socialistas, nunha situación social e economicamente explosiva, botara o resto. | É un exemplo significado da conflitividade social que afectou ás comarcas produtoras de viño na Galiza das década finais do século XIX. A revolta de Mugares [no actual Concello de Toén] enmarcase na vaga de protestas asociada á extensión da filoxera no noso país, que veu agravar aínda máis a situación económica daquelas zonas que se dedicaban a actividade vitivinícola en réxime de monocultivo. A filoxera é un insecto de orixe norteamericano que provoca a morte da vide europea ao atacar as raíces, situándose a súa chegada a Galiza á volta de 1882, penetrando primeiramente pola área de Monterrei, seguindo a mediados da década á zona da Ribeira Sacra, O Ribeiro e Valdeorras, chegando máis tarde á comarca d´As Mariñas. As consecuencias desta pandemia foron dramáticas ao deteriorar de xeito definitivo as condicións materiais de existencia aumentando a mortalidade por efectos da desnutrición nestas comarcas, privando aos campesiños do seu único medio de ingresos e provocando a expulsión das terras que traballaban aforadas e favorecendo a despoboación masiva destas zonas. O 29 de setembro de 1896 a veciñanza de Mugares levantouse contra o intento de facer efectivo varios embargos polos impago dos foros dunha viña. Mentres unha comisión xudicial dislocada á localidade tentaba apropiarse dos bens duns foreiros que adebedaban rendas ao marques de San Sadurniño, a poboación convocada polas campás da igrexa concéntranse primeiro diante dunha vivenda dos afectados seguindo posteriormente cara o adro do templo onde os comisionados son agredidos. A protesta remataría con tres deles, Henrique Berjano, Pedro Cardero, Claudio Porto, gravemente feridos e un cuarto, Ildefonso Aydillo Santolalla, recadador de tributos que se tiña significado polo seu celo noutros puntos de Ourense, dado finalmente por morto, descoñecéndose onde foi agochado o seu cadáver. A prensa galega deu cumprida conta do linchamento destes catro axentes da autoridade, sinalando El Eco de Santiago, no seu numero do un de setembro de 1896, que "foron obxecto dunha emboscada por parte dun grupo de mozos, que armados de navallas e paus arremeteron furiosamente contra eles". A represión non se fixo agardar. Vinte e nove veciños, entre eles 16 mulleres, foron conducidos á prisión de Ourense, onde será mesmo recluído durante semanas o crego de Mugares, acusado de colaborar na morte de Ildefonso Aydillo, sendo procesados e absoltos en 1898, ao non poderse demostrar a súa participación no axustizamento de Aydillo ao non aparecer o seu corpo. Outra boa parte dos veciños fuxirán de Mugares, agochándose nos montes próximos, sendo un deles asasinado en abril 1897 pola Garda Civil, definindo o xornal El Lucense como " un carácter aflixido, autentico terror de la comarca e embriagado coas ideas de Marx". A presenza de militantes socialistas no núcleo reitor da protesta resulta máis que probábel, destacando tamén o papel das mulleres, unha delas será sinalada como a persoa que tocou a campa da igrexa para avisar aos veciños, sinalándose entre estas Leocadia Cruz e Benita Borraxo, A Carrabana. A loita dos veciños de Mugares continuará. Á volta de maio de 1897 El Eco de Santiago, dá conta de que tres parellas da Garda Civil preséntanse outra vez na localidade para proceder ao cobro das débedas "que deron orixe ao tristemente celebre motín de Mugares", sinalando que os veciños fuxiron ao monte, práctica normal neste tipo de conflitos, para non recibir os recibos que iniciarían o procedemento legal de embargo. Ao tempo, sinálase o malestar social existente e os responsábeis da revolta de 1896: Ricardo Durufaina, os irmáns Manuel, Maximinio e Leocadia Cruz, Benita Borraxo, A Carrabana e Manuel Vilamarín, Mallas, como os promotores "do estado de axitación desta simpática poboación do Ribeiro". A prensa republicana catalá, neste caso La Autonomía de Reus, informaría o 22 agosto de 1897 que "en Mugares (Ourense) é desoladora e aflitiva a situación da maioría daqueles labregos. A miseria e a pobreza mandan naquel pobo", sinalando que "a persoas que levan corenta e oito horas sen comer obrigáselles ao pago de cédulas persoais con todos os recargos", para rematar solidarizándose cunha protesta "de anos onde os de abaixo só teñen o alento da conxunción republicana socialista". |
NOS_6733 | Apatrigal e Galantiqua xestionaron a recuperación do cadro, que esta sexta feira será entregado ao Concello rianxeiro. | A asociada á Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego e directora de Galantiqua, Ana Paula Castro Jiménez, recibiu a encomenda profesional de valoración de varios cadros, entre o que se encontraba un que contiña a sinatura "Castelao", e que tras unha investigación certificouse que a autoría era de Manuel Rodríguez Castelao "Insua", curmán de Castelao e un dos dirixentes nacionalistas en Rianxo, que perdería a vida en 1937 en Vigo no ''Bou Eva' "Ante a relevancia histórica da peza, tanto a asociada como a asociación decidiron xestionar a recuperación desa peza artística para Galiza, e tras varios meses de negociacións e con grande ledicia para a descubridora do lenzo (Ana Paula Castro Jiménez) como para a Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego, conseguiuse que a obra de arte fora doada polos seus propietarios ao Concello de Rianxo, volvendo ao seu lugar de orixe, e expoñendo o recoñecemento tanto da figura de Manuel Rodríguez Castelao "Insua" na súa vila natal, como o recordo dunha parte moi importante da historia de Galiza", indica Apatrigal nun comunicado. O acto de entrega do cadro ao Alcalde será esta sexta feira, día 5 de febreiro, ás 12:00 horas, no Salón de Plenos do Concello. Xosé Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao eran coñecidos popularmente como "Os Insua", curmáns de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e destacados dirixentes nacionalistas do Barbanza. Ámbos os dous perderían a vida o 23 de abril de 1937 con outras nove persoas que tentaban fuxir de Galiza desde o porto de Vigo no "Bou Eva". Manuel Rodríguez Castelao foi o líder indiscutíbel do Partido Galeguista na comarca, representándoo nas máis importantes responsabilidades orgánicas e na corporación municipal rianxeira, onde o nacionalismo foi a forza hexemónica durante boa parte do período Traballou como mestre, destacando desde mozo polas súas cualidades artísticas, colaborando con Castelao nos debuxos dos cruceiros de Rianxo, utilizados na publicación "As cruces de pedra na Galiza" ou pintando moi poucos lenzos, dos que hoxe só se coñecen aqueles propiedade da Fundación Illa Couto e dos herdeiros de Dieste. Con dezaoito anos preséntase á Exposición Rexional, celebrada na Coruña en 1923, con dous cadros ao óleo de temas da vila. Faise referencia a estes lenzos en diversas publicacións da vila de Rianxo e mais considerábanse "perdidas". Porén, o que mañá se entrega en Rianxo é un deses óleos, de pequeno tamaño (40 x 54 cm) aparece asinado como "M.Rodríguez Castelao" e adxunta un adhesivo orixinal onde, precisamente, se indica que a obra titulada "Dúas paisaxes de Rianxo" foi presentada na exposición da Coruña celebrada en 1923. |
NOS_48932 | Pretende incentivar que se chegue á "idade legal" de xubilación. | O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, explicou esta segunda feira durante a súa comparecencia na Comisión do Pacto de Toledo no Congreso, para dar conta da negociación no diálogo social, que o Goberno estatal outorgará até 12.060,12 euros nun pago único a quen demore a súa xubilación e reducirá até un 21% a de quen se xubile anticipadamente. Concretamente, advertiu de que se está traballando nunha proposta de coeficientes redutores á xubilación anticipada voluntaria pola que estes aumentarían do 16% ao 21% para un traballador ou traballadora con menos de 38 anos e 6 meses cotizados que queira xubilarse dous anos antes do que lle toca. Con todo, se se xubila un ano antes, o coeficiente pasará a ser do 2% ao 3,26%. No caso dos traballadores con máis de 38 anos e 6 meses cotizados e menos de 41 anos e 6 meses, o coeficiente por xubilarse 24 meses antes pasará do 15% actual ao 19%. Para os traballadores de máis de 41 anos e 6 meses cotizados, pero menos de 44 anos e 6 meses, a xubilación anticipada dous anos antes pasará a ter un coeficiente redutor da 17% fronte ao 14% actual e do 2,96% para quen se xubile un ano antes (fronte ao 1,8% actual). Por último, a penalización para quen ten unha carreira de 44 anos e medio e decida xubilarse dous anos antes, o coeficiente manterase no 13%, pero se se xubila un mes antes pasará do 1,6% actual ao 2,81%. Os obxectivos da primeira parte da reforma de pensións que quere despregar o Goberno estatal son dous: volver á revalorización das pensións co Índice de Prezos de Consumo (IPC) e atrasar a idade "real" de xubilación, agora nuns 64,6 anos, para achegala á "legal", que en 2021 se sitúa entre os 65 e 66 anos e chegará a entre 65 e 67 anos en 2027. O departamento que dirixe Escrivá leva varios meses dialogando cos sindicatos maioritarios no Estado español, UXT e CCOO, e coas patronais, CEOE e Cepyme para facer axustes que estimulen a permanencia dos traballadores no mercado laboral e, por outro, aumentar a penalización a quen decide xubilarse antes. Malia as críticas formuladas ao respecto, o ministro puxo de manifesto que "hai unha ampla evidencia de que unha maior participación dos maiores non dana, senón que aumenta as oportunidades de emprego da mocidade". |
PRAZA_14801 | Este artigo escribino hai unha semana. Non facía máis que clarexar algunhas das incógnitas arredor de Alternativa Galega de Esquerda e as súas intencións e motivacións. Paréceme oportuno volver sobre el para toda esa xente que votou a AGE mais non está informada dabondo sobre o seu candidato principal e algúns conceptos desta novidosa coalición -mais non inédita na Historia de Galiza-, así como, por suposto e sobre todo, a xente que non a votou só por maior descoñecemento e non porque non fose afín | Este artigo escribino hai unha semana. Non facía máis que clarexar algunhas das incógnitas arredor de Alternativa Galega de Esquerda e as súas intencións e motivacións. Paréceme oportuno volver sobre el para toda esa xente que votou a AGE mais non está informada dabondo sobre o seu candidato principal e algúns conceptos desta novidosa coalición -mais non inédita na Historia de Galiza-, así como, por suposto e sobre todo, a xente que non a votou só por maior descoñecemento e non porque non fose afín. Deixo por aquí o artigo tal e como o escribín para aquel domingo, con algunhas acoutacións á marxe feitas "a posteriori" cunha primeira lectura do ocorrido, que continuarei en posteriores entregas O Efecto "Beiras" Se en algo podemos estar de acordo todos os que seguimos esta campaña que agora chega ao seu fin, tanto os que apoiamos con ilusión esa nova Alternativa Galega de Esquerda como os que non, é que Xosé Manuel Beiras ten irrompido con forza para quedar, e que á súa "provecta idade" tense reinventado a si mesmo e reinventado o nacionalismo galego unhas cantas veces, algunhas sen éxito, mais, desta vez, e na miña opinión persoal, que é a de moitísimos máis, con todo o acerto, intelixencia, oportunidade e necesidade do mundo. Alguén que cofundou a principal forza do nacionalismo galego, que a introduciu no Parlamento e que a levou ás máximas cotas de poder da súa historia (segunda forza política, con 18 deputados); que soubo retirarse a tempo da súa dirección, antes de que o BNG iniciara a deriva que tomou tralo goberno bipartito e até hoxe; alguén que sempre e sobre todo neses últimos e erráticos tempos loitou polo asemblearismo e a máxima "unha voz, un voto", e polos principios fundacionais da formación frontista á vez que a súa rexeneración; e que nunca deixou de ollar e acompañar os movementos sociais que xordían na esquerda, fosen ou non da man do nacionalismo, tense convertido agora na Galiza na referencia para moita xente, especialmente mocidade coma min, que poden constituír, salvando as múltiples distancias -co denominador común da súa traxectoria de loita antifascista, a súa excelencia intelectual e as súas verbas de liberdade-, José Luis Sampedro en España, Vicenç Navarro na Catalunya, Stephan Hessel en Francia, Pérez Esquivel na Arxentina, ou Eduardo Galeano no Uruguai e máis aló – por certo, todos estes persoeiros, amigos do "vello profesor", agás, quizais, o xermano-galo. Non son o único que establece tales paralelismos, e Beiras é o candidato mellor valorado entre o seu electorado despois de Feijóo, o máis exitoso nas redes sociais, e o máis querido entre esa mocidade. (O domingo confirmouse esta afirmación, co voto masivo a AGE nas cidades e grandes vilas, algo que se podía percibir tamén na numerosa presenza de xente nova nos mitins, e por algunha enquisa que fixen en institutos, o que me leva a afirmar, sen temor a equivocarme, que foi a forza máis votada entre a xuventude.) Alguén que rompeu a barreira que impedía ó nacionalismo galego apoiar a un movemento falazmente chamado "españolista" como o 15M, como antes e logo desta coalición seguirían chamando, na súa ignorancia irremediable, "españolistas" a Esquerda Unida, sen coñecelos en absoluto, nin a súa base social, nin a súa soberanía e especifidade como federación libremente asociada, nin a traxectoria de loita antifascista e galeguismo das súas xentes, nin a súa diversidade de pensamentos, agora máis que nunca inexistente no seo do BNG despois da eclosión da súa crise e uniformización por inanición ideolóxica a mans da UPG- ; que non se apoltronou en cadeiras e despachos, consellerías e fundacións; que bebeu dos novos movementos sociais e mal chamados "antisistema" (máis ben "antisistémicos", ou pro persoas), e que conversou e conversou con todo tipo de xente, tamén coa xente que non orbitaba unicamente na súa constelación máis pechada como fan outros que só atenden os designios do seu embigo, e de organizacións satélites do nacionalismo máis rancio e excluínte (nunca coidei que usaría este termo habitualmente empregado pola dereita máis podre, pero co devir da campaña exacerbáronse de tal modo as posturas dalgúns militantes e tornáronse en actitudes tan ruíns, que amosaron o peor do (tri)partidismo e partitocracia endogámica nacionalista); alguén, insisto, que pasou polo foro social de Porto Alegre, que viaxou e leu e dialogou moito, e que ten a historia e a experiencia política e humana de Xosé Manuel Beiras, estaba chamado a ser, a pesar da súa idade, e de que algúns o crían politicamente acabado, na referencia e a gran sorpresa desta campaña e, a longo prazo, da política galega. (Confirmouse, Beiras e AGE arrasaron con nove deputados, superando ao BNG e restándolle moitísimos apoios ao PsdG, facéndose co voto desencantado, indeciso ou abstencionista daqueles que non ían xa a apoiar ningún destes partidos, e constituíndose na alternativa para quen quería políticas de esquerda por riba de purismos ideolóxicos estériles. O seu ascenso é, salvando as distancias, similar ao primeiro ascenso de Syriza en Grecia, e tamén pola inutilidade dos demais partidos da oposición para sumar apoios, por unha lei electoral inxusta e un altísimo grao de abstención, quedou ás portas de tornarse en forza chave para facer posible un goberno doutra cor política.) Eu, que non era ningún dos seus moitos acérrimos admiradores, que non o coñecía de hai moito e non sabía ben da súa traxectoria até que cristalizou a súa figura coa tan cacarexada "escisión do BNG" (moito máis que unha escisión, a creación de algo novo, multiplicador e duradeiro); eu que sempre fun moi crítico coas súas formas e receoso do efecto adurmiñante da razón e anulador da crítica que poden ter os líderes carismáticos e os xeniais comunicadores coma el, despois de escoitalo nos últimos meses, e sobre todo na campaña, expresar en verbas dende aquel 25 de xullo Día da Patria Galega o que eu mesmo levaba pensando dende hai anos, que cómpre a unión de toda a esquerda e todos os sectores sociais agredidos para desaloxar a dereita, por riba de diferenzas de matiz ideolóxicas e sobre todo partidarias; eu, repito, dende a miña perspectiva xuvenil non podo máis que renderme á evidencia de que este home, segundo moitos e moitas a personaxe histórica do nacionalismo galego máis senlleira nos últimos cincuenta anos, digno herdeiro de Castelao e sementador dunha nova fronte que perdurará no tempo e fará historia, é unha das mentes máis lúcidas do panorama actual, sempre á vangarda, e só podo expresar a miña admiración por el e absoluta confianza no "efecto Beiras" que está a arrasar polo País adiante en actos que deixan fóra centos de persoas. Porque este non só se sustenta nas súas dotes de orador e showman, senón nunha sólida formación humana e intelectual, nunha proximidade irrevogable á xente do común, da rúa, e ás voces discordantes, nunha feliz heterodoxia que leva a cuestionalo todo e tamén a si mesmo, con gran socarronería, e unha calidade de ver as cousas antes cós demais, ou polo menos antes có resto dos políticos, esa casta á que el se negou sempre a formar parte, e de trasladar como ninguén as cousas que xa se pedían na rúa á tribuna de orador indignado. Porque iso é o que é o Beiras: un eterno cidadán indignado, dende o mítico episodio do zapatazo no "parlamentiño de cartón" en 1993 contra a reforma do regulamento da Cámara, que lle valeu a expulsión cal manifestante desaloxado, até a última mais non derradeira que moi sabiamente o ten levado por tódalas televisións, ao proclamar que "Feijóo mata", algo que xa sabiamos moitos cidadáns pero que parecía que non se atrevía a afirmar ningún político, mesmo os que se din de esquerda. Que tivo e ten os seus erros? Quen non os ten? Que non se pode fiar todo a unha persoa? Ninguén o fai: o movemento político do que é voceiro é unha comunidade de mulleres e homes extenso e diverso, no que conflúen sensibilidades e tradicións moi distintas, pero sempre nas coordenadas da esquerda e da defensa da nosa terra, cunha morea de ideas e propostas e unha bagaxe que van facer moito ben pola política galega cando entren "ó asalto" no "Parlamentiño", do que Beiras é apenas o líder carismático, o gancho comunicativo e a atracción, mais tamén a figura histórica e persoal que moitos necesitaban para "alistarse" na revolución. Nin máis nin menos. Digamos que Beiras é o referente que deu o pasiño valente que necesitaba o pobo galego, historicamente adurmiñado e que recentemente volve espertar novamente con forza, para arrastrar unha maré de unión na indignación e na formulación de alternativas que xa existía previamente na rúa, e que o "vello profesor", como o chaman e chamamos, só necesitaba callar nunha forza política que fose tamén movemento social. De momento conta con todo o meu apoio, e seguirá a telo se perdura a súa coherencia. (E polo momento, continúa esta tendencia de voceiro da indignación e alternativas sociais, pois xa ten expresado claramente, xunto a Yolanda Díaz, a súa intención de acompañar á sociedade e deixar que o "empregue" como correa de transmisión das súas iniciativas. Esperemos que a práctica sexa tan satisfactoria como vén sendo a teoría, esta marabillosa declaración de intencións, nunca tan clara nas coordenadas do nacionalismo de esquerda máis institucionalizado.) De "indignados" e "indignos" Disque só Beiras soubo comprender e analizar con lucidez a explosión social que supuxo o 15M, dentro do seu antigo partido, e no seo do Encontro Irmandiño, a corrente crítica que segue liderando, agora xermolo de Anova Irmandade Nacionalista. Mesmo baixou á praza a debater con el@s e coñecer as súas inquedanzas, as dun movemento que cualificou de "explosión democrática", e mesmo algún xornal "facineroso", en busca do morbo pero casualmente acertado, expresou que, en correspondencia, o 15M apoiaba a Beiras, no que non é unha declaración oficial dun movemento que todos sabemos que é apartidario, mais si unha dedución máis ou menos lóxica de ver a moitos dos seus integrantes máis activos nas súas filas ou simpatizando con el, dentro dun movemento que ademais o ten invitado varias veces a coloquios, que se ten retroalimentado das súas palabras, e que se identifica nas súas propostas plenamente co programa resumido da nova Alternativa Galega de Esquerda: auditoría da débeda, prioridade dos servizos públicos como sanidade e educación, banca pública, economía sustentable, aluguer social e renda mínima, soberanía alimentar, eliminación de privilexios de Igrexa e políticos, democracia participativa, novo proceso constituínte, nova Lei Electoral xusta, defensa da identidade, lingua e cultura propias, etc. Máis que "reformas", o que el chama unha "creba do sistema". Porque, como sempre repite, "os partidos non están para tutelar os movementos sociais e da cidadanía", nunha actitude paternalista que caracterizou a outros partidos, autoproclamándose a alternativa xa existente, a única alternativa que non podían deixar de votar os "indignados", mesmo créndoo. As forzas políticas que verdadeiramente se digan de esquerda están para acompañar a cidadanía, que ela soíña sabe, se organiza e presenta alternativas; isto é o que di Beiras e certificamos moitos. E velaquí radica "a diferencia entre os indignados e os indignos", a outra teoría do Beiras a respecto deste movemento. Como el sinalaba nun artigo incluído dentro dunha compilación de ensaios sobre este dende a perspectiva galega, "15M: o Pobo indignado", os "indignados" o son porque son dignos, teñen unha dignidade que protexer, mentres os indignos non teñen de que indignarse, máis que da súa propia hipocrisía. Beiras soubo manterse indignado dende o principio até o final, e aí radica tamén a forza do seu discurso. Por riba das súas virtudes e defectos, Beiras nunca mentiu. Sempre dixo o que pensaba, mesmo foi demasiado sincero para ser político, esquecendo todas as recomendacións do "márketing político" e do "politicamente correcto". Por descontado, nunca se enriqueceu polo seu labor público, nin moito menos prevaricou con el, e non está a cobrar nada, como o resto de homes e mulleres do seu partido, por ningunha función executiva ou de calquera tipo dentro de Anova, nin representativa no seo da Alternativa. A xente valora que lle digan a verdade, e valora un proxecto tamén en función da credibilidade persoal dos que a levan a cabo. E nisto entra en xogo o conxunto da militancia e simpatizantes de AGE: Xosé Manuel Beiras é o máis parecido a un político que teñen nas súas filas (e para iso non profesionalizado, na medida en que sempre se dedicou e gañou máis coa súa profesión orixinaria, mestre catedrático, que coa súa acción institucional, e dende hai moito exclusivamente co que lle corresponde da primeira), posto que as candidaturas da coalición a forman homes e mulleres absolutamente do común, a maioría das cales nunca antes se presentaran a unhas eleccións, mais que sentiron a necesidade e a chamada da "urxencia nacional" que estabamos vivindo, e decidiron dar o paso. Porque fronte ás "políticas" indignas do PP cómpre "indignarse", xa que fica claro que a dereita neoliberal e os seus representados, os señores feudais do século XXI chamados Mercados, son "indignos"; mais tamén dende certos sectores da esquerda amósase indignidade, hipocrisía, cainismo, e non altura de miras neste momento precisamente tan delicado. Probablemente o BNG non tiña feito antes unha campaña extraoficial tan suxa e mesquiña, non só pola ruindade de métodos (quitar carteis, tapar carteis, poñer o autocolante de "vota Bloque" ao lado da súa cara por sistema, aproveitándose da crenza aínda de moita xente maior de que o profesor se presenta pola fronte nacionalista; acoso nos foros de medios de comunicación; nas redes sociais...), senón, e sobre todo, pola identificación absolutamente errónea de AGE como inimigo, coa demonización de Beiras, e o emprego de toda unha serie de argumentos simplistas e falsarios, oportunistas, como a concentración do voto, o suposto españolismo de EU, a suposta galegofobia de compañeiros da esquerda de fóra aos que chamaban "paracaidistas", mais que só amosaba xenofobia, manipulación e oportunismo por parte dos que vían a palla no ollo alleo mais non a trabe no propio. Fronte a isto, a campaña de AGE, a máis limitada de cartos de cantos partidos aspiraban seriamente a entrar ao Parlamento, demostrou ser exemplar, tanto polo xogo limpo e a non descalificación do aliado político natural -o resto de forzas opositoras ao PP- como na humildade e máxima "eficacia e eficiencia" co menor número de recursos posible. Case totalmente excluídos dos medios públicos, e en gran parte dos privados (agás principalmente os alternativos), sen orzamento para grandes spots nin shows audiovisuais, a gran baza de AGE foi as súas xentes, as achegas voluntaristas tanto no plano económico e material como no humano e inmaterial, o traballo arreo tódolos días na organización de actos, mítins e encontros coa cidadanía e cos colectivos sociais e asociacións de cada ámbito, dende o naval de Ferrol aos labregos de Ourense, dende as lonxas de Vigo ata os institutos de Lugo; na presenza na rúa e en cada mobilización, sexa quen for o sindicato ou movemento que estivese detrás, sempre que fose unha causa xusta; na presenza constante nas redes sociais virtuais, que fixo de Beiras o máis seguido en Twitter, sendo o seu o de máis recente creación; na orixinalidade das propostas, e na reactivación das esperanzas e da ilusión durmida de moita xente, que de novo volveu crer na política como transformadora de cousas, grazas a que vía veciños e amigos involucrados neste proxecto e nas listas, creando unha bóla de neve que arrastrou cada vez a máis xente, de forma que, se as enquisas iniciais do CIS daban un escano a AGE, agora mesmo e despois do éxito de mobilización da última semana, así como do apoio masivo e explícito de sectores como a cultura, o escenario está completamente aberto e xa non se sabe que teito se pode acadar. Non necesitaba, pois, Alternativa, máis apoios cás súas propias forzas, o seu propio capital humano, así que escribo só agora. Non é preciso máis. (E, efectivamente, non lle fixo falla moita axuda para superar tódalas expectativas e chegar aos nove escanos, e 200.101 votos. Eses nove escanos traduciranse, como dixen, en nove deputados cidadáns do común: un profesor catedrático, unha avogada, un labrego, un profesor de instituto, dúas enfermeiras, un científico investigador en paro... sen políticos profesionais, sen intereses particulares ou escuros). "Feijóo mata" Para quen queira ter máis información sobre o desenvolvemento das propostas e a súa viabilidade, que consulte os documentos políticos extensos dos dous partidos principais en coalición, Anova e Esquerda Unida, así como os dos ecoloxistas EQUO e Espazo Ecosocialista Galego, e, se quere algo máis sintético, empregar menos tempo e ademais vibrar de emoción, pode unicamente ver e escoitar esta entrevista antolóxica ao seu portavoz, a que moitos e moitas consideramos o auténtico "debate", por riba dos rutineiros e grises monólogos a dous que tiveron lugar durante esta campaña na TVG, cuns discursos xa coñecidos de sobra e unhas actitudes máis que previsíbeis. Ou calquera dos mitins que encheron aforos e deixaron a moita xente coas ganas fóra. Moit@s se indignaron coas palabras do voceiro de AGE sobre Feijóo. Os de sempre coreaban que iso non se podía dicir, que non se podía comparar o terrorismo cun señor tan insigne como se presupón ha de ser o presidente do noso goberno autonómico, que o tolo de Beiras estaba "incapacitado", que desbardallaba, etc. Beiras é un mestre no uso da linguaxe cuns determinados efectos, das imaxes e comparacións polémicas, e novamente conseguiu chama-la atención sobre a forma do que dicía, para que a continuación só os máis intelixentes ou quizais menos malintencionados e hipócritas reflexionasen de verdade sobre o fondo do asunto. Cara ao final dunha campaña gris, na que AGE non contou case con publicidade nos medios, nula nas instancias públicas que deberían publicar a tódalas forzas e non só ás parlamentarias, o para algúns exabrupto de Beiras, posibilitou que Alternativa puidese colocarse no foco de atención non só nacional senón tamén estatal, e todo para proclamar unha gran verdade: que os recortes da dereita neoliberal, inspirados na "doutrina do Shock" que xa se puxera en práctica en ditaduras latinoamericanas a partir dos anos setenta, non fan máis que sangrar a poboación. A mellor explicación a deu Beiras na entrevista de V Televisión: entre listas de espera interminábeis para doenzas graves, tratamentos custosos que se van deixar de financiar, inmigrantes sen papeis que se van deixar de atender, e a elevada taxa de suicidios, cada día máis alta grazas á crise ou estafa do sistema (dez ao día en España, 3.500 ao ano, dos cales un diario na Galiza, nin máis nin menos, crecendo un 30% no último ano), o certo é que Feijóo, e por extensión, a dereita ultraneoliberal, mata. "Matan, ou non matan?" (E hai menos dunha semana, Praza veu confirmar o que xa moitos sabiamos.) "O Pobo, Unido, xamais será vencido" Este berro, popularizado moito antes entre as masas e cantado excepcionalmente por Quilapayún nos setenta, vén escoitándose de novo con cada vez máis forza en todo tipo de manifestacións, e non só, tamén nas opinións da xente de a pé. Alternativa Galega de Esquerda é, por fin de vez, a expresión política concreta de algo que xa sentía a cidadanía galega hai moito tempo: que a esquerda debía xuntar as súas forzas e esquecer ou deixar nun segundo plano e aparcadas temporalmente as súas diferenzas partidarias, principalmente matices secundarios e prexuízos que entorpecían a acción e a condenaban a non poder derrocar nunca a dereita, e, asemade, non poder devolver o protagonismo da política a quen a merecía, a maioría social agredida polos poderes financeiros, o Pobo, a Cidadanía. Fronte á consigna de algúns, que dicían "Programa, programa, programa!", eu opoño "Pobo, Pobo, Pobo!", e únome á petición de altura de miras. Beiras expresou este desexo, que el levaba manifestando dende hai moito, cos seus coñecidos exemplos da Fronte Ampla do Uruguai, e os aínda na oposición pero cada vez máis fortes Syriza e Front de Gauche, ou a máis nosa Fronte Popular estatal na que se integrou o Partido Galeguista, que gañou as últimas eleccións da II República, e que posibilitou a aprobación do Estatuto de Galicia. Daquela a integración, que non asimilación, nunha coalición estatal, provocou unha crise interna do partido que rematou coa escisións dos sectores máis dereitistas. Novamente, comprobamos que a estigmatización como "españolista" que se fai dunha federación soberana e libremente asociada como Esquerda Unida, que recoñece o dereito á libre autodeterminación e sempre defendeu o noso, é outra actitude reaccionaria e rancia máis, tanto se é practicada pola esquerda como se o é pola dereita. (E disto deuse conta a xente tralas eleccións, castigando a "pureza" do BNG e a súa negativa a participar dunha fronte ampla, sen nin sequera consultar coas bases.) Xa o dicía Xosé Luís Méndez Ferrín no acto final en Ourense: "os nacionalistas e os comunistas sempre foron da man, e así ten que ser, é ou non é?" E nomeaba ás "pantasmas", os "mortos" que deron a súa vida por Galiza e as súas xentes, e que nos virían preguntar se fixemos todo o posíbel por eles. Castelao e Soto, en Ourense Benigno Álvarez e Alexandre Bóveda... nacionalistas que se tornaban comunistas, e comunistas que se tornaban nacionalistas, por obra e graza da amizade e afinidade política e sobre todo humana; así como a experiencia da Fronte Popular de 1936, e toda a acción da esquerda durante a II República, que, malia que moitos non queiran saber dela, coas súas virtudes e miserias foi a etapa de liberdade onde se puido aprobar o primeiro Estatuto de Galiza, e se se viu rota, e con ela o anceio de liberdade galeguista, foi precisamente porque o único que podía derrocar á esquerda era un golpe de Estado antidemocrático, fóra das canles da legalidade. Agora que non debemos temer ameazas dese poder militar -disque-, quizais deberiamos rebelarnos contra as barreiras mentais e ofensivas partitocráticas que nos impiden encontrarnos. Mellor o explica o presidente da Real Academia Galega e membro da Fronte Popular Galega, outro dos colectivos integrado en Anova, e polo tanto en AGE, no seu espléndido artigo "Eu, posición Soto", e basta con lelo para entender que a unión fai a forza, e cómpre responsabilidade histórica e altura de miras para mudar as cousas, especialmente neste momento. AGE non compite co BNG, tense repetido moitas veces estes días desde as súas filas, senón que vai a por ese electorado desencantado que xa non ía votar BNG nin PsdG, nin quizais EU, a polos indecisos e abstencionistas. Se nas últimas eleccións e en todas menos unha, a suma de PsdG e BNG nunca superou ao PP, e as enquisas certificaban que agora ía pasar o mesmo, de quen é a culpa? Como unha nova opción non pode reactivar toda esa cidadanía durmida e animala a votar? Estivémolo vendo as últimas semanas, e ímolo ver hoxe. (E, en efecto, reactivou a cidadanía, que votou en masa a AGE, compensando o terrible voto castigo a PsdG e BNG, e aminorando en certa maneira o desastre. Tiña medo de arriscar demasiado co meu "presentimento", pero finalmente fíxose realidade. Arrasou, e descubriu novos caladoiros no voto, mais a incapacidade dos outros para conectar co electorado fixo o resto, e quedamos sen cumprir o obxectivo primordial: botar, "parar" a Feijóo.) Sexa o que for, a partir de agora ábrese un novo rumbo na política galega. Con Feijóo dentro ou fóra da Xunta, deberemos responder todxs con maior responsabilidade e poñendo o mellor de nós para transformar a realidade. E Alternativa, instalada no Parlamento Galego, deberá presentar unha acción conxunta, un labor de oposición coherente e forte para facer fronte á barbarie, no caso de que a dereita revalide a súa maioría absoluta -ogallá que non-, ou unha oposición igual de forte pero construtiva que vixíe a acción dun goberno de centro-esquerda PsdG-BNG, e o guíe cando o teña que guiar, exercendo plenamente a representación que lle confíen os seus cidadáns. Sexa o que sexa hoxe, que gañe Galiza, que gañe o Pobo Galego, e as demais xentes que viven sobre a nosa terra, que gañen as persoas en definitiva, non os mercados nin os seus mandados. (E, finalmente, non gañou Galiza. Entre carretaxes de votos, abstención e voto-castigo, ademais do sistema de elección D'Hondt, temos unha maioría aínda máis absoluta e absolutista do PP. Mais temos unha AGE como terceira forza no Parlamento, con nove deputados, o que a obrigará a exercer con aínda máis responsabilidade unha oposición forte e que leve a iniciativa, sen esperar a "facerlle fronte" á dereita.) Epílogo E este é un epílogo que vén a reforzar todas as teses anteriores. Adiviñen de quen é. "Son galeguista i estou orgulloso de selo; pero, a pesares das miñas fondas conviccións políticas, non me atrevería a discutilas sabendo que a discusión podía debilitar a solidaridade dos galegos antifeixistas. Tódolos galegos lle queremos á nosa Terra e todos arelamos liberala i engrandecela. Deixémonos, pois, de retesías. A Galiza mártir é arestora a obsesión de tódolos galegos libres que andamos polo mundo, e ninguén pode desertar da obriga que pesa sobor de nós. Os que vivimos a salvo dos verdugos e gozamos de liberdade non podemos desoír o mandado dos mortos, porque a súa voz resoa constantemente na nosa concencia, e temos que xuntarnos para comprir o noso deber de galegos. ¿O sangue quente dos nosos mártires non correu xunto? Pois entón deben correr xuntas as nosas espranzas, nun só río de vontades". Lembrade que antes da traxedia xa nos confundíamos nun mesmo afán. Lembrade que os galegos de esquerda, trunfantes en febreiro do 1936, gañamos o plebiscito do noso Estatuto. Na propaganda conxunta cada un falou co seu propio acento, e todos concordábamos nunha arela común de reivindicacións para o pobo traballador de Galiza. Os galeguistas, os republicanos, os socialistas, os anarquistas, os comunistas, os agrarios (todos libres para manifestar o seu pensamento) sabíamos ocupar con diñidade os nosos postos, e non se rexistrou a máis lene discordia. A concordia nascía, seguramente, porque actuábamos en presencia das realidades galegas, en carne viva diante dos nosos ollos, i esquecíamos diferencias ideolóxicas para xuntarnos nun anceio idéntico de liberación e melloramento da vida galega. Queríamos todos chegar á "síntesis vital". Esta cordialidade era o anuncio de días felices para o noso país. Deprendemos a coñecernos os que vivíamos arredados por prexuízos persoaes ou de partido, e axiña nos decatamos de que a unión debía plasmarse no Goberno autónomo de Galiza, coa mesma cordialidade que reinaba nos mitins de propaganda. Aquel propósito -sentido e non formulado- vai realizarse en canto a guerra remate. E vai realizarse nun ambente de comprensión e compenetración insospeitado. A vontade dos mártires que morreron xuntos a man do nemigo común, debe producir a irmandade dos galegos antifeixistas. Máis e mellor que denantes da guerra, porque agora o nome de Galiza está ourelado de santidade i está chamado a producir unha afirmación colectiva capaz de resucitar aquel noso xenio ancestral que foi a mellor gala da Península. Que nos xunte o amor á Terra e que non os arreden as doutrinas importadas, porque os problemas de partido e as ideoloxías de grupo serán a vida latente dunha democracia exemplar, endexamais practicada na Galiza sometida". Castelao, Sempre en Galiza. Que tomen nota algúns. |
NOS_20330 | A deputada de Ciudadanos electa pola Coruña, Marta Rivera de la Cruz, defende un "mesmo modelo de exercicio" para todo o Estado español. Un posicionamento que nos últimos tempos as distintas forzas do centro-dereita e dereita española pulan por meter na axenda mediática e política. Porén, diferentes voces do profesorado ou asociacións de nais e pais consideran que unha selectividade única non implica igualdade e si "centralismo". | Marta Rivera de la Cruz manda unha mensaxe de ánimo a través das redes sociais ás e aos 11.000 estudantes que estes días tiveron que pasar na Galiza a proba da selectividade, a ABAU. Mais a deputada de Ciudadanos electa pola Coruña e responsábel de Cultura da formación dirixida por Albert Rivera non se conforma cunha simple mensaxe de apoio a estas mozas e mozos e engade: "El examen gallego es uno de los más difíciles". Para completar o recado, acompaña esa afirmación unha imaxe na que se defende unha "Selectividade única" para todo o Estado español. "Desde Ciudadanos seguiremos a exixir un mesmo modelo de exercicio en toda España", remarca a deputada. Esta cuarta feira A CRTVG vía o galego "unha desigualdade" nas probas de acceso á universidade. "Examínanse dunha materia máis, a de galego, e a maiores as probas son máis difíciles e os criterios de corrección, máis esixentes". Este foi o enfoque co que a TVG informou do inicio das probas da ABAU, a anterior Selectividade. Mucha suerte a los 11.000 estudiantes que hoy empiezan su selectividad en Galicia. El examen gallego es uno de los más difíciles. Desde @CiudadanosCs seguiremos exigiendo un mismo modelo de ejercicio en toda España. pic.twitter.com/vsEM3t9rab— Marta Rivera (@CiudadanaMartaR) 12 de xuño de 2019 Non é a primeira vez que Rivera de la Cruz xera polémica coas súas afirmacións sobre o galego. "Que no me toque mucho las narices, que empiezo a decir Rianjo", ameazou cando un internauta a convidara a utilizar o topónimo oficial da cidade da Coruña cando anunciaba a presentación dun dos seus libros. "A mí es que me gusta La Coruña", dixera entón. No seu propio blogue, no ano 2010, escribía, en español, despois das multitudinarias manifestacións en defensa do galego no ensino: "O que tiña que facer Feijóo xa o fixo: pechar a billa. Cortar o subministro das xenerosas subvencións. As viaxes pagadas e as axudas aos castelanófobos. Feito isto, que berren cando queiran, que convoquen manis e que faciliten as cousas para que os estudantes teñan máis dias de asueto. Para o que lles vai servir!", dicía, a respeito das mobilizacións de defensa da lingua. |
NOS_13725 | A operación inclúe as plantas hidroeléctricas e factoría de ferroaleacións que o grupo ten na Galiza. O grupo prevé ter fechada a venda no terceiro trimestre, unha vez obtida a autorización da CNMC e Xunta. | O Grupo Villar Mir vende o complexo Cee-Dumbría e as centrais de Xallas ao fondo TPG Sixth Sreet Partner en alianza coa española Ithaka por 170 millóns de euros, segundo informou Ferroglobe - que ten 55% de Ferroatlántica- esta madrugada. A operación foi comunicada ao SEC, regulador bursátil estadounidense, e supón o traspaso de dez plantas hidroeléctricas cunha potencia de xeración de 167 megavatios e da factoría de ferroaleacións de Cee-Dumbría. Fica fóra a planta de Sabón, especializada en producir silicio de metal. Villar Mir prevé fechar esta venda no terceiro trimestre deste ano, unha vez que obteña a autorización da Comisión Nacional dos Mercados e Competencia (CNMC) e da Xunta de Galiza. A operación enmárcase na necesidade de vender recursos que ten o grupo para facer fronte á ampla débeda que posúe. Ferroatlántica e Ferroglobe seguirán vinculadas a través dun acordo de longa duración mediante o cal a primeira será receptora dos produtos elaborados pola segunda. Ferroglobe comprométese, pola súa banda, a achegar materias primas "chave". TPG manifestou o seu compromiso de "protexer as condicións laborais de seguridade dos traballadores", a "sostibilidade do negocio" e a súa vontade de "reforzar o tecido industrial da Galiza". O comité de Ferroatlántica Cee, Dumbría e Centrais Hidroeléctricas mantivo a finais de maio reunións cos catro grupos parlamentares para trasladarlle a súa preocupación pola que vaticinaban previsíbel venda do complexo industrial e dos saltos de auga e reclamarlles que esixisen á Xunta que faga valer as cláusulas concesionais para evitar esta segregación encuberta. A sección sindical da CIG advirtía entón que con esta operación o Grupo Villar Mir pretendía afrontar parte da millonaria débeda adquirira noutros sectores do grupo, nomeadamente pola construtora OHL. |
NOS_6401 | O colectivo de traballadores e traballadoras das empresas auxiliares acordaron continuar co paro ante a falta de compromisos da petroleira para atender as súas reivindicacións. | Traballadores das empresas auxiliares da refinaría de Repsol da Coruña secundan hoxe unha nova xornada de protesta, con concentracións desde as sete da mañá nas distintas portas das instalacións, "á espera de que os reciba Repsol e volva escoitar as súas reivindicacións", apuntaron representantes da CIG. Na segunda asemblea que tivo lugar onte á tarde ás portas da factoría, o persoal das contratas resolveu continuar co paro ante a falta de compromisos de Repsol para dar solución ás súas solicitudes. Falece Unai Martínez, un dos operarios afectados polo escape de gas na refinaría da Coruña Os traballadores reiteraron "a súa firme determinación a continuar na loita para conseguir unhas condicións de traballo dignas, con todas as garantías de seguridade e para que se esclarezan as causas do accidente que lle causou a morte a Unai Martínez e deixou ferido a outro compañeiro", resumiu o sindicato nacionalista. Cortes de tráfico A Policía Local tivo que desviar o tráfico a primeira hora da mañá debido aos cortes que se produciron fronte aos accesos á planta desde as 7 horas. Pola súa parte, Repsol defende nun comunicado o "diálogo constante e fluído" con representantes sindicais das empresas contratistas en materia de seguridade e prevención de riscos laborais. A empresa trasladoulles que a investigación para determinar as causas do accidente laboral está a realizarse con "absoluto rigor" e estase levando a cabo a comisión de investigación conformada tanto por técnicos especialistas das distintas áreas da refinaría como por representantes sindicais da traballadores CIG, CC.OO., UXT, STR e USO. Esta investigación, segundo afirmaron desde Repsol, levará "todo o tempo que sexa necesario" polo que solicitan "respecto ao labor". |
NOS_54681 | Na mañá do sábado o Consello Nacional do BNG reuniuse por vez primeira após a XV Asemblea Nacional do 28 de febreiro na Coruña. Con esta xuntanza comeza a refundación da organización nacionalista, que anunciou que inicia os contactos para conformar unha candidatura nacionalista para as eleccións galegas. | Máis de 100 persoas participaron na mañá deste sábado na primeira reunión do Consello Nacional que saíu da Asemblea Nacional da Coruña. Ás 50 persoas elixidas no conclave do 28 de febreiro sumáronse esta mañá outras 50 persoas que saíron escollidas nas asembleas comarcais que tiveron lugar ao longo do país. Con esta primeira reunión, o BNG enceta o proceso de refundación e faino, segundo admite a organización nacionalista, coa vista posta nas eleccións galegas e mesmo nun posíbel adianto electoral a nivel estatal. En declaracións á prensa, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, referiuse á refundación do BNG, un proceso "absolutamente novidoso" e cuxo obxectivo pasa por "ampliar a militancia e a base social e resituar o BNG como referencia fundamental para a derrota do PP". Neste contexto, chamou a todas as persoas nacionalistas a participaren nesta nova etapa. "Este proceso de debate abre un espazo cara a dentro pero, sobre todo, cara a fóra", afirmou a dirixente do Bloque, que apelou a "definir, soñar e modelar a organización e o futuro do nacionalismo". Pontón advertiu de que esta candidatura en clave de país será fundamental para derrotar Feijóo e as súas políticas "tóxicas e corrosivas" A respeito das eleccións galegas, o Consello Nacional –conformado nun 43% por persoas menores de 35 anos- aprobou iniciar o unha "rolda de contactos con outras organizacións políticas e colectivos" coa finalidade de conformar "unha candidatura nacionalista". Pontón advertiu de que esta candidatura en clave de país será fundamental para derrotar Feijóo e as súas políticas "tóxicas e corrosivas". Para camiñar cara a unha candidatura nacionalista, a dirección do BNG acordou estabelecer unha metodoloxía, un cronograma e os temas de debate. A única limitación, apuntou Ana Pontón, pasa por respectar o carácter nacionalista e os principios básicos do BNG referendados pola militancia na Asemblea Nacional. Os tres ámbitos de discusión que marca o Bloque son a radiografía da Galiza actual, a estratexia política do nacionalismo galego e a participación política e modelo organizativo. Aprobadas as áreas de responsabilidade na Executiva Nacional O Consello Nacional do BNG tamén aprobou a proposta de áreas colectivas e transversais nas que se estrutura Executiva Nacional, após suprimírense as secretarías nas que se organizaba, tal e como se acordou na XV Asemblea Nacional. Segundo puido saber Sermos Galiza, á fronte da área de Organización sitúanse Obdulia Diniz, Bieito Lobeira, Néstor Rego e Goretti Sanmartín. Esta área responsabilízase da expansión organizativa; da coordinación; do ámbito urbano, localidades e comarcas; da formación e das finanzas. Na área de Política Institucional traballarán Goretti Sanmartín, Noa Presas, Montse Prado e Xosé Luís Rivas, "Mini". Son responsabilidades desta área a coordinación da política municipal, o impulso da rede de gobernos e cogobernos e o apoio ao traballo parlamentar. Na área de Comunicación, Rubén Cela encargarase do discurso, da prensa e dos medios; tamén do discurso e da imaxe, Olaia Ledo; da propaganda, Carlos Ansoar e das redes e web, Xosé Manuel Marcote. Na área de Ideas e Alternativas Políticas traballarán Carme Dasilva ( ideas e alternativas), Raquel Suárez (Normalización Lingüística e movementos sociais), Carlos Ansoar (ecoloxismo), Noa Presas (feminismo) e Alberte Mera (mocidade). Da área de Relacións nacionais e internacionais encargaranse Montse Prado e Xosé Emilio Vicente. [Esta información foi actualizada por volta das 18.43 para engadir o reparto de responsabilidades na Executiva Nacional] |
NOS_16029 | Quen escoite o último disco de Xurxo Fernandes, presentado a semana pasada, ben podería pensar que a música galega sempre estivo irmandada coa mediterránea. E se cadra si. Mais este é un dos primeiros álbums que as une de maneira tan declarada, como dúas faces deste artista e investigador das raíces orais: as galegas e as sefardís. O traballo de campo levouno a percorrer a Galiza enteira, pero tamén Turquía, Grecia, Bulgaria e Marrocos. Así, Levaino! pon o foco nas identidades, sempre minoritarias nun mundo globalizado, interrogando como sobrevivir nese contexto. | O investigador e intérprete Xurxo Fernandes, coñecido por proxectos como Radio Cos, Jako el Muzikante ou Pandeireteiras Sen Fronteiros, presentaba a pasada semana na Coruña, con billetes esgotados, un traballo insólito na paisaxe musical da nosa terra. Levaino! é o título dun álbum que aglutina as dúas vertentes da carreira deste artista, a do estudo das músicas sefardís orientais e a da propia tradición oral. Así, a dulzaina espreguízase nos ritmos da pandeireta para irmandar dúas culturas que gardan máis semellanzas das que aparentemente diriamos. Ou así o entende o autor. O disco preséntase como unha procura por tecer ou explorar pontes co que vostede refire como "lugar natural" da nosa tradición: o Mediterráneo. Por que se atopa daquela desconectada deste, priorizando esa conexión celta? Dentro da música de tradición oral hai moitos camiños por explorar, e este non é máis que un deles. A min paréceme unha relación natural pola conexión que hai entre a nosa maneira de entender a voz e as percusións de man, tal e como se fai no Mediterráneo e no norte de África. Teñen moitas similitudes. Quizais esa conexión co celtismo xa está moi exposta a través do mundo da gaita, mais na tradición oral, na nosa canción cantada, está menos explorado, ou non está tan visibilizado, este vínculo. Eu creo que a nosa maneira de comprender o canto popular, desde a súa execución, desde como se coloca a voz e como se proxecta, até a relación que hai entre voz e ritmo, está moi irmandada con esas tradicións orais tamén mediterráneas. Fala da existencia de semellanzas na forma de entender a voz e a percusión. En que consisten? Eu creo que a nosa maneira de comprender o canto popular, desde a súa execución, desde como se coloca a voz e como se proxecta, até a relación que hai entre voz e ritmo, está moi irmandada con esas tradicións orais tamén mediterráneas. Hai un vínculo histórico no que eu non pretendo afondar, mais que resulta interesante ter en conta, como é o que existiu cos fenicios, con portos permanentes de comercio aquí na Galiza durante unha época moi grande. É impensábel que non haxa ningún outro tipo de relación alén da comercial, tivo que darse unha permeabilidade.Porén, eu non busco facer esa analoxía histórica ou profundar neses vínculos a nivel académico, mais si que me gusta tender esas pontes. Intento facelo desde a miña perspectiva propia, a dunha persoa que estudou a música tradicional galega a través das investigacións de campo, das recollidas, e desenvolveu ese mesmo traballo nas comunidades sefardís orientais. Estudei comunidades de Turquía, Grecia, Bulgaria e Marrocos. Levaino! tamén trata de presentar esas dúas realidades musicais profesionais que sempre estiveron de costas a unha da outra. Aproveitando esa coincidencia (ou non, que non sei se é coincidencia), intento estabelecer ou pór enriba da mesa que desde a miña perspectiva si que existe esa relación entre a nosa música e a mediterránea. Fixo, como ben comenta, recollidas na Galiza e nas comunidades sefardís orientais. No primeiro caso collía información desde "dentro". Como se enfronta este traballo de campo en culturas que non son a propia? Eu comecei facendo traballo de campo aquí na Galiza e fun adquirindo así unha experiencia que despois me permitiu afrontar ese labor en Oriente, digamos, con máis facilidade, a pesar da diferenza que había entre as dúas culturas. Pero a esta pregunta de como se afronta nunha cultura allea, curiosamente, é moi interesante. Porque cando un está mirando unha fotografía da súa cultura, está tamén moi condicionado polo contexto e como este focaliza a visión nalgún punto en concreto. Entón moitas veces non nos decatamos de diferentes matices que hai, de diferentes realidades que están a acontecer de maneira simultánea. Iso pasa cando te atopas na túa cultura. Porén, cando te achegas a outra nova, que non é a túa materna, resulta máis evidente como aos demais tamén lles pasa o que nos pasa a nós. É dicir, que estamos tan condicionados pola contorna que centramos a ollada nun punto obviando unha chea de matices. O feito de estudar outra cultura tamén che permite, cando regresas á túa, ver todas esas cuestións que quizais nós estamos a perder e que son moi enriquecedoras. Simplemente o contexto vaite levando a ter unha visión xa estandarizada. Non sei se me estou explicando. Moitas veces a música popular e tradicional non está totalmente de acordo ou, dito doutra maneira, expón moitas contradicións, cunhas identidades que en si xa son contraditorias. Penso que si, mais seguramente axudaría pór algún exemplo destes aspectos aos que se refire de maneira xenérica que se perciben nesa viaxe de volta, por dicilo dalgún modo. Pois, por exemplo, a relación que hai entre música e identidade, que é un tema moi interesante. Moitas veces a música popular e tradicional non está totalmente de acordo ou, dito doutra maneira, expón moitas contradicións, cunhas identidades que en si xa son contraditorias. Porque hoxe en día a identidade está moi condicionada polo contexto, pero ao tempo vivimos nunha minoría, porque nos atopamos nun mundo moi globalizado. Aínda que podemos dicir que na Galiza a maioría somos galegos, non podemos afirmar que teñamos unha identidade maioritaria, precisamente por vivirmos nesa globalización. Todos estes trazos identitarios con frecuencia van en contradición con moitos aspectos das músicas tradicionais, que non seguen uns parámetros ideais. Poderiamos mencionar moitos paradigmas, como o feito de que exista moita música tradicional nosa cantada en castelán. A iso me refería cos paradoxos que pode haber entre a música tradicional, que identificamos como totalmente nosa, e contén elementos que chocan radicalmente co noso. Falei da lingua, pero existen moitos máis. Por exemplo, moitas imaxes construídas, que ás veces non son máis que unha visión nesgada, creada inconscientemente pola comunidade con base nunha historia. Enlazando co que comentaba antes, o feito de ver como se comporta outra cultura, que dalgún modo ten unha semellanza mais ao tempo é distante, como neste caso a Mediterránea, ante esas contradicións, tamén fai que ti revises a túa propia ollada. É o que che dicía sobre como se afronta o estudo dunha cultura allea. Allea en principio, porque ao final para min remata sendo unha cultura miña. Levo moitos anos investigando a música sefardí e falo a súa lingua. Dediquei tantas horas da miña vida que me sinto parte dese mundo tamén. E de onde xurdiu o interese por estudar estas músicas sefardís que se volverían parte súa? Casualmente foi igual que coa música tradicional galega, xurdiu dunha inquedanza lingüística. Eu comecei a interesarme polas diferentes falas, sempre me atraeron as diferenzas dialectais na lingua. Os meus avós eran de lugares distintos. Empecei a gravalos a eles, aos seus veciños e a máis xente. Casualmente, a avoa dun compañeiro de clase tocaba a pandeireta e aí agromou o idilio. Coa música sefardí comezou tamén por unha curiosidade lingüística, e despois foime fascinando todo o contexto que tiña, a contorna social. Principalmente porque a comunidade sefardí para min é un exemplo de como se pode enfrontar a procura dunha identidade propia vivindo en minoría, como acontece con todo o mundo hoxe porque estamos nunha globalización. É fascinante, porque eles viviron sempre en minoría, xa cando estaban na Península Ibérica, ou despois da expulsión que os empurrou ao imperio otomán. Mais sempre foron permeábeis ao contexto, nunca viviron en guetos, senón integrados coas diferentes confesións, con musulmáns e con cristiáns. Ao tempo, sempre foron capaces de manter a súa identidade. Iso fascinoume, como conservaban os costumes e a lingua sen vivir fechados. Comecei con iso, mais axiña me conquistou tamén a súa música, que é marabillosa. Empecei a ir polos asilos, en Istambul, coñecendo logo as familias, entrando nas casas e ampliando ese traballo. Paralelamente a esas investigacións, desenvolvín varios proxectos artísticos (Radio Cos ou Jako el Muzikante), pero nunca mesturei estes dous mundos. Até agora. Neste novo proxecto o que fago é aproveitar esa analoxía que encontro entre as dúas músicas para pór en valor a miña experiencia en ambos os dous campos e presentar eses dous Xurxos que sempre estiveron de costas. Todo traballado con música de tradición oral. E como se achega ao proceso de composición para aglutinar estas dúas vertentes ou experiencias? Foi doado? Ou custoulle atopar ese equilibrio tan medido? Creo que é un encontro bastante natural, que se desenvolveu moi organicamente. Para min realmente foi moi sinxelo, simplemente deixando fluír unha cousa que tiña antes parcelada, totalmente separada e estanca. De feito, se ben as cancións normalmente teñen mestura deses dous mundos, desas dúas realidades, desas dúas tradicións, ás veces é máis evidente que unha melodía é de fóra e outra de aquí, mais noutras ocasións confúndense. Tamén me gusta xogar a esa confusión porque aí é onde se pode ver a irmandade que existe. Hai dous temas que non beben de recollidas feitas por vostede, que son o propio "Levaino!" e "O Piollo Malvado". Que motivou a súa inclusión? Parecíanme dúas pezas cunha forza incríbel, cada un moi distinto do outro polo que evocan en si. Interésame tamén enfrontar o tema da conta-jacta, algo moi antigo, de utilizar unhas melodías xa existentes e variarlles o texto. Isto é unha cousa que, especialmente na tradición mediterránea, é moi común en todos os países balcánicos, que comparten a mesma melodía con diferentes textos en distintas linguas. Igualmente, isto acontecía na Galiza, porque na nosa tradición xa sabemos que o texto, agás en contadas ocasións, non vai ligado á melodía, senón que son totalmente intercambiábeis: por un lado vai a poesía e, polo outro, a música. Interesoume por estes aspectos facer estas dúas versións. Na do "Piollo", sobre unha música de Salónica (Grecia), gravada por primeira vez en Istambul (Turquía) en 1919 baixo o título "Ο Μακεδών", emprega unha letra tradicional galega, pero cunha adaptación pola súa parte, non? Até que punto intervén? Si, a idea parte dunha historia xa existente, na que me baseei para crear outra con elementos novos. A historia do Piollo Malvado como un bandido xa existía, recollida en Carnota, e eu introducín algúns elementos que me interesaban na historia, tamén motivados polo cambio métrico que había a respecto da música. O videoclip de "Levaino!", tema que serve de presentación do álbum, foi unha peza bastante impactante. Dirixido por Xaime Miranda, cal era a idea ou ideas sobre as que traballaban nese magma de imaxes evocadoras e desacougantes? Escollín o "Levaino!" porque me parece que representa a idea xeral do disco. E esta é como afrontar unha identidade, que non ten que ser local, pode ser de calquera tipo, tendo en conta o contexto que nos rodea a todos e que nos fai estar en minoría. Era o que a min me interesaba transmitir. Pensei en concretalo na tradición oral e para iso imaxinei unha serie de metáforas, pero principalmente a idea é a dunha muller transmisora que vai transmitir algo a través dun parto, evocando a circularidade que ten a tradición oral. A circularidade de nacer e morrer. O vídeo transcorre en dous planos. Un é exterior, que rodea a esta muller que está parindo, asistida por unha chea de mulleres que nun ritual exhortan a criatura que vai nacer a que continúe con esas tradicións, a letra fai referencia constantemente a temas do baile e da música: "Bater no pandeiro", "O baile no torreiro", "Agruar no camiño". Que é máis tradicional? Un carro que conserva todas as súas partes tal e como foron confeccionadas hai 100 anos e que está pendurado nunha parede dunha casa de pedra, ou un carro ao que se lle fixeron as innovacións precisas para que conserve a súa función? Por outra banda, transcorre unha historia paralela, que é a que está dentro do corpo da muller. Son esas estampas que dalgunha maneira representan os valores que ten ela dentro. Aí hai varias metáforas, como un carro noso, tradicional, coas rodas pneumáticas. Con iso o que intento transmitir é a idea da funcionalidade, de que hai algo que non podemos frear para que as cousas a teñan, é un pouco a evolución. E aquí podemos lanzar unha pregunta ao ar, da que non busco resposta, só deixala voar: Que é máis tradicional? Un carro que conserva todas as súas partes tal e como foron confeccionadas hai 100 anos e que está pendurado nunha parede dunha casa de pedra, ou un carro ao que se lle fixeron as innovacións precisas para que conserve a súa función? Eu non teño resposta a iso. O que si me parece é que sempre se puxo á vista, como carro tradicional, o pendurado da parede. E eu creo que tamén hai que darlle unha volta e pensar que a funcionalidade é básica para que a nosa música, que é coa que estou facendo a analoxía, non se converta nunha peza de museo. Contrapóñense aí esas dúas ideas de tradición: a da fotografía fixa e a da imaxe do presente. Exactamente. O quid da cuestión está en como poder innovar sen perder a nosa esencia. A de aquí ou a de calquera lugar, ao final o vídeo fala diso. Ademais de con esa metáfora, con outras nese senso. Hai un espello non que se reflicte unha imaxe do que está a pasar fóra do ritual e do que está dentro. O que intento plasmar é o conflito de identidades, no que un pode ter todos os valores que lle transmitiron na casa, por dicilo dalgunha maneira, pero despois vaise ter que enfrontar ao mundo que o rodea, que tamén vai influír. Parecíame interesante ese xogo de espellos que denota que imos ter que ser un pouco permeábeis. O segredo quizais está en saber quedarnos coas nosas esencias, para non desaparecer. Ao principio pensei en pór unha muller anciá como referente, porque sempre asociamos a muller de cabelo branco, ademais rural, como transmisora por excelencia. Porén, logo interesoume máis unha muller de mediana idade, que non está en tempo de parir, pero que tampouco responde ao estereotipo. Quería saír destes maniqueísmos nos que se cae moi facilmente cando se fala de tradicións e identidades, cando realmente hai moitos máis matices e aspectos transversais a ter en conta. Un pouco tamén para ir acabando con esa dicotomía eterna que hai entre rural e urbano aquí na Galiza, que creo que é unha cuestión máis de posicionamento que de realidade. En moitos sitios xa non existe diferenza entre o rural e o urbano a niveis de identidade. Hoxe en día podes vivir en Nova York ou en Coristanco e hai moitas cousas que xa son comúns. Creo que se abusa demasiado desa dicotomía. Sobre todo falando desas identidades, na música tradicional nomeadamente. Tamén, se cadra, cunha romantización do rural? Si, absolutamente. |
PRAZA_517 | Seguro que todos e todas teremos que renunciar a algo para acadar o cambio que Ferrol tanto precisa. Pero para acadar eses mínimos non debemos poñer por diante nin patriotismos partidarios nin prexuízos ideolóxicos. | As próximas eleccións municipais, como di Xosé Manuel Beiras, van a ser unhas eleccións decisivas, onde nos xogamos a descomposición recomposición do actual réxime político. Por iso temos que facer en Ferrol todos os esforzos que estean na nosa man para acadar unha única lista de unidade que represente a ese pobo que xa non atura mais e tanto leva sufrido. Seguro que moitos queremos que remate a corrupción, que en Ferrol se volvan a facer barcos de inmediato, que recuperemos a poboación perdida dunha vez, que a sanidade e o ensino de calidade sexan unha realidade Seguro que esa candidatura non será unha candidatura ideal, seguro que estará lonxe do que moitos e moitas ansiamos. Pero seguro que moitos queremos que remate a corrupción, que en Ferrol se volvan a facer barcos de inmediato, que recuperemos a poboación perdida dunha vez, que a sanidade e o ensino de calidade sexan unha realidade e que vai sendo hora tamén que dunha ría limpa e saneada poidan vivir miles de mariscadores e mariscadoras. Estas serían metas en que os máis nos sentiríamos recoñecidos, ideais de moitos e moitas que seguro que ninguén negará neste tempo histórico que nos tocou padecer. Pero entre o ideal e o posible ten que existir a imprescindible confluencia. Por iso aquí e agora non estamos en condicións de sabotear ou renunciar a unha única candidatura de unidade popular para Ferrol. Seguro que todos e todas teremos que renunciar a algo para acadar o cambio que Ferrol tanto precisa. Pero para acadar eses mínimos non debemos poñer por diante nin patriotismos partidarios nin prexuízos ideolóxicos. Neste tempo do labirinto histórico que non acaba de morrer e tantas incertezas nos presenta cara o futuro próximo, ten que ser posible acadar a converxencia que nos una para poder construír entre todos a obra da que falaba Castelao. Seguro que todos e todas teremos que renunciar a algo para acadar o cambio que Ferrol tanto precisa. Pero para acadar eses mínimos non debemos poñer por diante nin patriotismos partidarios nin prexuízos ideolóxicos Se en Pontevedra e noutras cidades teñen confluído e apoiado unha única candidatura popular, actores tan diversos como plataformas en defensa da ría, plataformas de afectados pola hipoteca, por que en Ferrol non pode ser posible?; sobre todo tendo en conta escenas coma as que se reflicten nesta pasaxe de Patricia Hermida; "Na cidade coa taxa máis alta de paro, a fame tórnase visible como aqueles campanarios dos pobos mergullados por pantanos: sete homes piden esmola entre a praza de España e a praza de Armas, familias preparan os cartóns para durmir nos soportais do teatro Jofre, as colas medran ante a Cociña Económica como naquelas fotografías dos EUA na Gran Depresión." Vimos dun proceso de confluencia que non ten acabado de callar. Pero agora temos que dar por amortizado o pasado e estar a altura das circunstancias e ser capaces entre todos de defender a esta nosa xente da que nos fala Patricia, e afrontar xa as urxencias que Ferrol tanto necesita. Estes días andamos a recorrer os barrios de Ferrol explicándolles aos veciños e veciñas a estafa que supón o cobro da nova taxa do saneamento. Contábame unha veciña que cobra unha pensión non contributiva que ten que pagar pola nova taxa mais de corenta euros, e que non pode poñer a calefacción por non poder afrontar o pago do recibo da luz. Pensemos nela. Ten que ser posible a necesaria unidade popular. Fagámola posible. Ferrol meréceo O que se sente é que a veciñanza xa non atura mais falsidades, máis corruptelas, máis precariedade, máis gobernos municipais que gobernan de costas a esa mesma veciñanza e que o único que quere é simplemente poder vivir decentemente. Ten que ser posible a necesaria unidade popular. Fagámola posible. Ferrol meréceo. |
NOS_42371 | Figura incontornábel da vida cultural, social e política de Catalunya durante as últimas décadas, Josep Fontana (1931-2018) deixa un enorme legado. Profesor emérito da Universitat Pompeu Fabra, foi alumno de Jaume Vicens i Vives e bebeu das mellores fontes, nomeadamente da escola de Pierre Vilar. Tivo como pensadores de cabeceira Antonio Gramsci e Walter Benjamin. Entrou a militar no PSUC, o partido comunista catalán, na clandestinidade, en 1957. Abandonouno a principios da década dos 80. O que non abandonou foi o marxismo. | Dicer historia en Catalunya é dicer Josep Fontana. Esta terza feira morreu aos 86 anos na cidade que o viu nacer, Barcelona. Fixo parte dunha escola, a de Pierre Vilar, e el propio criou a súa, caracterizada polo rigor no traballo e unha visión progresista e dialéctica mais non dogmática. Era, como os grandes, un excelente prosista, o que lle permitiu brillar no terreno da divulgación e do achegamento da historia ao público non especializado. Destarte, nos últimos anos entregou volumes como Por el bien del imperio. Una historia del mundo desde 1945 ou El siglo de la revolución. Una historia del mundo desde 1914, esta a súa última obra publicada, dada ao prelo en 2017. |
NOS_32468 | Convocad@s polo BNG da Coruña unha trintena de vehículos colapsaron o acceso para demandar a gratuidade da AG-55. | 'Non queremos pagar' ou 'Eliminación da portaxe na AG-55' foron algúns dos lemas que se puideron ver na acción decorrida esta segunda segunda feira na autopista 55 que conecta A Coruña e Carballo ao seu paso por Arteixo. Ducias de vehículos --arredor dunha trintena-- colapsaron a portaxe para exixir a gratuidade da estrada perante a inacción do concello a quen xa lle foi requirido que inste a Xunta e Fomento a pór fin aos cobros. E é que segundo denuncian veciñanza e grupos políticos como o BNG a AG-55 non cumpre co seu obxectivo de acelerar o tránsito senón que, pola contra, causa graves prexuízos @s utentes por mor das obras que están a ter lugar á altura do polígono de Sabón e nos accesos ao porto exterior. A convocatoria lanzada polo Bloque estaba fixada para as 20 horas e alí agardaba @s manifestantes a Garda Civil. Os vehículos formaron catro ringleiras que bloquearon todas as cabinas da portaxe e retiveron o tránsito por un bo anaco. As persoas que tomaron parte no protesto solicitaron unha a unha a folla de reclamacións da empresa concesionaria para reclamaren a gratuidade do vial. "Conseguimos o noso obxectivo" que era visibilizar as súas demandas, explicou aos medios de comunicación o concelleiro do BNG, Xabier Macías. |
NOS_52839 | Lofven mantén esperanzas de volver á Presidencia unha vez que rematen as consultas entre o presidente do Parlamento e o resto de grupos políticos. | Stefan Lofven, até o de agora primeiro ministro de Suecia polo Partido Social Demócrata, presentou esta segunda feira a súa dimisión, unha semana despois de perder unha moción de censura no Parlamento impulsada pola súa proposta de flexibilizar as regulacións de vivenda do Estado escandinavo. Despois da moción de censura, Lofven contaba cunha semana para decidir se convocaba eleccións anticipadas ou dimitía para permitir a formación dunha nova maioría de Goberno. "Cun ano até as próximas eleccións e no medio dunha pandemia, unhas eleccións anticipadas non son a mellor opción para Suecia", defendeu. Tras a dimisión, o presidente do lexislativo, Andreas Norlen, "terá que iniciar o traballo para propor un primeiro ministro que conte co apoio do Riksdag (parlamento sueco)", apuntou Lofven, que unha vez remate o proceso de consultas de Norlen cos grupos políticos non descarta volver á Presidencia. "Estou dispoñíbel para encabezar un Goberno que o Riksdag poida aceptar", destacou. Independentemente de que se convoquen comicios anticipados, en setembro de 2022 terán que decorrer as votacións. Porén, Ulf Kristersson, líder do Partido Moderado, a principal forza xunto aos socialdemócratas, xa comezou a xestionar os apoios para formar unha nova coalición. Na súa despedida, Lofven acusou o Partido da Esquerda de lanzar unha moción de censura sen unha alternativa de Goberno, "non hai dúbida de que as súas accións levaron á difícil situación actual", despois de que esta forza se negara a aceptar as liberalizacións da regulación do prezo dos alugueiros de vivenda nova que propuña o até este 28 de xuño primeiro ministro. A moción prosperou con 181 apoios -seis máis dos exixidos- e co apoio doutras formacións. |
NOS_49920 | Desde a plataforma Por un Monte Galego con Futuro afirmaron que o operativo de extinción estivo "desbordado" desde o inicio e foi "equiparábel" ao que se activa entre marzo e xuño, malia haber múltiples focos simultáneos. | A plataforma Por un Monte Galego con Futuro, conformada por varias asociacións ecoloxistas e sindicais, vén de denunciar a Xunta da Galiza perante a Fiscalía debido á "inacción" da Consellaría do Medio Rural diante da vaga de incendios que axexou os montes do país nas últimas semanas. Aliás, a entidade instou a Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, a actuar de oficio e investigar a actuación do Goberno galego en materia de prevención e extinción de incendios, a fin de "aclarar as responsabilidades penais". A través dun comunicado remitido aos medios, a plataforma sinalou que o dano ocasionado polas chamas "agravouse" debido a que a "maioría" de traballos de prevención previstos para o presente ano "están sen facer a día de hoxe". Nesta liña, alertaron do impacto en ecosistemas de gran valor como o parque natural do Invernadeiro, no Macizo Central, ou a serra do Courel, epicentro dos fogos de maior dimensión. Multas a brigadas forestais por exceso de velocidade O seu portavoz, Xosé Santos, apuntou que os indicadores diarios de incendios forestais "permitían vaticinar" que os focos iniciais tornasen "con facilidade" en grandes lumes. Tamén fixo referencia a que, "após producirse os primeiros focos, non actuaron en tempo e forma cos medios suficientes a fin de controlar a súa expansión". "As brigadas entraban día si e día tamén con só un, dous ou tres efectivos, cando as brigadas forestais son de cinco na Galiza", subliñou Santos, ao tempo que advertiu que as motobombas ficaron "sen cubrir as 24 horas do día pola falta de condutores". De forma paralela, destacou a "dramática" situación que se viviu en aldeas e poboacións con varias vivendas calcinadas por uns fogos "incontrolados pola falta de medios". Brigadistas denuncian xornadas de máis de 12 horas diarias O operativo, precisaron desde a plataforma, estivo "desbordado" desde o inicio e foi "equiparábel" ao que se activa entre marzo e xuño, malia haber múltiples focos simultáneos. |
NOS_2872 | A Comisión de Fomento de accidentes ferroviarios investigou 2 sucesos deste tipo en 2008 fronte os 14 de 2011. Actualmente está a investigar sete descarrilamentos acontecidos entre 2012 e 2013. En 5 anos (2006-2011), o número deste tipo de accidentes pasou de 1 a 14. Só 4 deles tivo coma orixe un fallo humano. No resto as causas tiveron a ver con deficiencias no estado das infraestruturas e con fallos mecánicos. | Redúcense os accidentes ferroviarios mais aumentan os descarrilamentos. En 2007 naceu a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios. No exercicio 2008 investigou 57 sucesos, dos que tan só dous foron descarrilamento. A comisión de Fomento investigou en 2007 só 2 descarrilamentos. En 2011, 14 Dous anos despois o número de accidentes ferroviarios investigados era de 28, a metade de 2008. Mais a cifra de descarrilamentos sobre os que esta comisión pescudou foi de 8, seis máis que dous anos antes. A tendencia mantívose en 2011. A comisión investigou 24 accidentes e incidentes ferroviarios; dos cales máis da metade (14) estaban relacionados con descarrilamentos. Na actualidade, a comisión do Ministerio de Fomento ten en curso 20 investigacións. Delas, sete fan parte de incidentes relacionados co descarrilamento. Causas Mais por que este aumento de sucesos de descarrilamentos? Fontes sindicais apuntan a dous motivos: En primeiro lugar, que por propios motivos de seguridade decidiuse investigar sobre calquera descarrilamento, por mínimo que fose. En segundo lugar, cambios en vías e condicións que poden derivar en que as pestañas das rodas non encaixen ben en ocasións, sobre todo en velocidades altas. |
PRAZA_16855 | O espazo reservado ao enigmático e recoñecido artista no barrio ferrolán aparece cunha obra asinada por el e semellante a un dos seus murais máis recoñecidos. Os impulsores das Meninas de Canido tratan de verificar a súa autenticidade. | A finais do mes de agosto do pasado ano, diferentes xornais impresos do Reino Unido, Italia e outros países luciron un anuncio no que a veciñanza do barrio ferrolán de Canido convidaba o enigmático artista Banksy a viaxar alí para participar no festival de arte urbana que todos os veráns enche os muros de interpretacións do famoso cadro As Meninas de Velázquez. Tamén con enormes carteis nalgunhas fachadas, a mensaxe trataba de convencer o coñecido graffiteiro e axitador de conciencias cunhas obras polas que devecen milleiros de persoas no mundo. Unha obra que amosa dous gardas civís bicándose apareceu este martes no espazo reservado a Banksy en Canido A campaña, impulsada por unha cervexeira galega, provocou que a contorna do artista se puxese en contacto a través do correo electrónico co festival de Canido. Pediu máis detalles do certame artístico e confirmou a recepción da mensaxe. No entanto, pasou o festival de setembro tese a parede continuou branca e lisa, sen pintura ningunha. Ata este martes. Pola mañá apareceu cun mural de dous gardas civís bicándose e coa sinatura que habitualmente emprega Banksy nas súas cotizadas e admiradas obras. Semellante a unha das súas obras máis coñecidas --a de dous policías británicas bicándose tamén--, o mural ten pinta de ser obra deste coñecido grafiteiro, pero non hai nada confirmado. Andan niso. Eduardo Hermida, artista ferrolán organizador das Meninas de Canido, confirma a aparición desta pintura e das características idénticas ás das obras do referente inglés, pero busca un dato que o certifique a través da conta de Instagram que difunde os murais de Banksy. Os impulsores do festival das Meninas tratan de verificar a autenticidade da obra, que conta coa sinatura e as características de Banksy "A través dese perfil da rede social, á que hai vinculado un correo electrónico, estamos procurando unha confirmación", aclara Hermida. Por outra banda, a cervexeira galega Estrella Galicia, creadora da campaña que intentou convencer a Banksy, trata tamén de confirmar a autenticidade da obra. "A sinatura é idéntica e a pintura está perfectamente traballada, coas características das súas obras; andamos na procura dalgún detalle que poida desbotar que sexa o que pensamos, pero aínda non o atopamos", insiste Hermida a Praza.gal. Desde a cervexeira galega, nun comunicado, advirten de que tratan de "verificar a autenticidade da obra" ante a "expectación creada". Ademais, aseguran que o mural, "malia non ter forma de Menina, espertou a admiración e alegría dos ferroláns", xa que podería ser a primeira obra oficial do autor no Estado, logo de que a que fora atopada en San Sebastián fora posteriormente borrada e non obtivese confirmación da autoría. "Se o artista acode á nosa chamada, fai que As Meninas de Canido sexa un proxecto univeral; de tratarse dun triste falsificador, dota á nosa iniciativa da capacidade de reprodución para que os autores descoñecidos poidan ensinar as súas técnicas inspiradas nos máis grandes", explica tamén Hermida no comunicado da empresa impulsora do chamado a Banksy, que mantén todo o misterio. |
NOS_15156 | Marián Ferreiro é alcaldesa de Narón desde 2017, após a renuncia do seu antecesor no cargo , Xosé Manuel Branco. Nas eleccións de 2019 revalidou o seu posto como rexedora pola candidatura de Terra Galega. Nós Diario conversa con Ferreiro sobre Narón e os plans de futuro para a localidade. | —Participou recentemente no I Encontro de Alcaldesas. Segue a ser un territorio difícil para as mulleres a Alcaldía? A Alcaldía é un territorio difícil sempre, xa que as alcaldesas e os alcaldes somos os responsábeis políticos máis próximos á cidadanía. Hai un plus de dificultade por ser muller? Si, como en todos os ámbitos da sociedade. Por iso o feminismo segue sendo tan necesario como sempre. —Narón, a oitava cidade da Galiza, máis que nunca aparece nese grupo coa Coruña, Santiago… que necesidades ten a cidade? Narón é a oitava cidade da Galiza encabezando o grupo de municipios que non teñen esta consideración histórica, pero que claramente son importantes territorios urbanos a día de hoxe. Os concellos de máis de 20.000 habitantes supomos máis de 16% da poboación galega e como tal compartimos unha serie de necesidades específicas que as grandes cidades si teñen máis ou menos resoltas. Podemos falar do transporte urbano e interurbano ou do financiamento. —Coa pandemia os concellos asumiron máis servizos, pero o financiamento segue a ser un dos seus puntos febles. Que se pode facer ao respecto? Si, durante a pandemia asumimos moitas máis competencias das que nos correspondían, o que xerou enormes tensións. Os concellos fomos a primeira barreira de contención e iso puxo o sistema en continuas situacións de dificultade. Houbo que derivar recursos inicialmente previstos para outros ámbitos a combater os efectos da pandemia. Ademais, a actuación das Administracións supramunicipais moitas veces foi improvisada ou pouco planificada, impulsando normas e restricións que coñeciamos no mesmo momento en que entraban en vigor, sen marxe para tomar medidas. Evidentemente, esta situación puxo negro sobre branco a necesidade de revisar o financiamento municipal, que xa era insuficiente con anterioridade. —Que proxectos fican por desenvolver en Narón? Temos en marcha importantes proxectos que, se todo vai ben, veremos rematados pronto. Aí está a rehabilitación, posta en valor e musealización do muíño de Xuvia, unha das nosas xoias patrimoniais. Tamén están en marcha as obras de conexión dos paseos de Freixeiro e Xuvia mediante unha senda peonil e ciclista, o que permitirá gozar dun enorme espazo verde en pleno Narón. —Terra Galega impulsa a iniciativa Cóntanos!, para coñecer as opinións e necesidades da cidade. Que valoración fai desa iniciativa? Trátase dunha iniciativa que, con diversas denominacións e matices, facemos asiduamente en cada mandato. Queremos achegarnos a todos os barrios e parroquias e escoitar de primeira man a veciñanza: as cousas que van ben, as que non van tan ben. Así que a valoración sempre é positiva porque sempre é positivo escoitar as túas veciñas e veciños. —Que papel deben ter as cidades, e o concello de Narón entre elas, na Galiza do século XXI? As cidades deben ser lugares nos que se presten todos os servizos que a cidadanía necesite. Deben ser espazos cada vez máis humanizados. As cidades, por tanto, deberán estar dotadas de amplos espazos verdes, favorecer formas de mobilidade alternativas, ser eficientes enerxeticamente e responsábeis co medio ambiente e mais cos seus habitantes. |
NOS_54498 | A comezos do mes de outubro está previsto que o Goberno español actualice o cadro macroeconómico, cunha previsión dunha caída do PIB de dobre díxito, que podería oscilar entre 10% e 11%, para este ano. | O Goberno estatal ten previsto actualizar a principios de outubro o cadro macroeconómico, cunha previsión dunha caída do Produto Interior Bruto (PIB) de 10% a 11% para 2020, así como presentar a nova "senda de estabilidade orzamentaria" cos novos obxectivos de déficit e débeda pública, xunto ao novo límite de gasto non financeiro (o chamado teito de gasto). A última vez que o Executivo actualizou a senda e o cadro macroeconómico foi en maio, tras enviar o Plan de Estabilidade Orzamentario 2020-2023 a Bruxelas. O último cadro 'macro' recollía unha previsión dunha caída do PIB de 9,2% este ano de 6,8% en 2021, aínda que fontes gobernamentais confirmaron a Europa Press que previsibelmente se revisará o descenso do crecemento até unha franxa de entre 10% e 11%, en liña coas estimacións de distintos organismos como o Banco de España ou a Comisión Europea. En canto ao desemprego, as últimas previsións do Executivo apuntaban un incremento da taxa de paro até 19% este ano e a súa moderación a 17,2% en 2021. Xunto co novo cadro macro e o teito de gasto, o Executivo convocará nos próximos días as comunidades autónomas para unha nova reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), en que se abordarán as entregas a conta do sistema de financiamento das comunidades e informarase sobre o 'teito de gasto' e as cuestións que incumben para ter unha base sobre a que construír os orzamentos autonómicos, xunto ao cálculo sobre os fondos europeos. Así, o Executivo prevé presentar e aprobar a nova senda de estabilidade orzamentaria cos novos obxectivos de déficit e débeda pública na primeira semana de outubro, á vez que informará do límite de gasto non financeiro, coñecido como 'teito de gasto', e actualizará o cadro macroeconómico, en función do cal o Executivo deberá amoldar o seu proxecto de orzamentos, e que terá que contar co visto e prace de Bruxelas. Con estes pasos necesarios para as contas públicas, o Goberno presentará ao longo do mes de outubro o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado de 2021 co obxectivo de que estea aprobado "a finais de decembro ou principios de xaneiro", segundo o calendario detallado pola ministra de Facenda, María Jesús Montero. Déficit A última "senda de estabilidade orzamentaria" do Goberno proxectaba un déficit público de 10,34% do PIB este ano, até os 115.671 millóns de euros, o maior déficit desde 2012, cunha caída dos ingresos de 5,3%, con 25.711 millóns respecto ao ano pasado, até 461.043 millóns (41,2% do PIB) e un aumento do gasto público de 10,5%, con 57.765 millóns de euros máis, até 576.714 millóns (51,5% de PIB). Entón, Montero cifrou o impacto das medidas para paliar a crise da Covid-19 en 138.923 millóns de euros. O programa orzamentario prevía un incremento da ratio de débeda pública desde 95,5% do PIB rexistrado en 2019 até o 115,5% de PIB este ano. Previsibelmente o Goberno tamén terá que revisar á alza as cifras de déficit e débeda pública como consecuencia da crise. Unha vez se dean os pasos da senda de déficit, o cadro 'macro' e o 'teito de gasto', o Goberno iniciará os contactos cos grupos para solicitar apoios aos orzamentos. As opcións, en prinicipio, son dúas: sacar adiante as contas con Ciudadanos ou cos grupos que apoiaron a investidura, entre os que figuran o BNG, ERC ou EH Bildu. |
NOS_193 | A formación galega correrá cinco probas este mes | Apenas mes e medio despois do regreso do deporte das dúas rodas ás estradas galegas logo do parón obrigado pola pandemia da Covid-19, a normalidade parece imperar por completo no ciclismo, tal e como testemuña o ateigado calendario do Vigo-Rías Baixas, que en setembro disputará até catro probas por etapas e unha clásica da Copa de España. O conxunto galego aspira a repetir neste mes o éxito conseguido logo da reanudación do ciclismo Elite Sub-23 a mediados de xullo, cando o uruguaio Mauricio Moreira logrou a primeira praza no prólogo da competición, unha vitoria á que pouco despois se engadiría a de Víctor Etxeberria no Campionato de Navarra. Este intenso bloque do calendario para a estrutura presidida por José Luis Chamorro arranca hoxe coa primeira das tres xornadas que conforman a Volta a Cantabria, unha cita na que o conxunto flúor defende a súa condición de líder da clasificación Elite da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC). A rolda cántabra marca, ademais, o regreso despois de tres semanas sen competir do devandito Mauricio Moreira. O ex profesional charrúa buscará quitar o mal sabor de boca que lle deixou a súa última carreira, a Copa Valladolid–Memorial Ángel Lozano, onde sufriu un problema mecánico na aproximación á liña de meta que acabaría por custarlle o maillot de líder Elite da presente edición da Copa de España. Moreira compartirá equipo na Volta a Cantabria con outros catro ciclistas que veñen de brillar no Campionato de España de Ciclismo en Estrada disputado o pasado día 22 de agosto na localidade andaluza de Xaén. Víctor Etxeberria -que rozou as medallas na categoría Elite-; Iñigo González, Joan Nicolau e Asier González -que remataron entre os 20 primeiros na proba Sub-23-, así como Manuel Sampedro e Jon Tena completarán as sete prazas das que dispón Marcos Serrano. O director deportivo do Vigo-Rías Baixas e lendario ex ciclista profesional de equipos como Kelme, ONCE, Liberty Seguros ou Karpin Galicia escolleu os seus homes tendo en conta a primacía da media montaña nunha proba que, se ben non presenta ningún final en alto, conta con varias ascensións ao longo das tres etapas. No percorrido de hoxe serán catro os portos que os corredores terán que superar en 146 quilómetros con inicio e chegada en Maliaño. Mañá, Colindres exercerá de punto de arranque e conclusión dun trazado de 141 quilómetros. E, finalmente, a Volta resolverase o sábado nunha etapa con principio e fin en Corrales de Buelna. Unha vez que remate a Volta Cantabria, os de Marcos Serrano buscarán novos triunfos na Volta a Palencia, na Volta á Provincia de Palencia (si, son competicións distintas) e, xa en territorio galego, na Clásica de Pascua de Padrón e na Volta á Galiza. Éxitos galegos alén das nosas fronteiras Noutra modalidade ciclista, concretamente Cross Country Olímpico (XCO), o galego Pablo Rodríguez, do equipo BH Templo, realizou unha fantástica actuación na Copa Checa disputada en Brno. O de Maceda participaba nunha competición de XCO por primeira vez desde marzo e protagonizou un destacado papel rematando en cuarta posición dunha proba que representa un paso máis no seu camiño aos Xogos Olímpicos de Toquio. |
NOS_10692 | Entre xaneiro e marzo tiveron que botar o feche 75 granxas en Galiza. O ano pasado nese mesmo período fixérono 84. | Entre xaneiro e marzo tiveron que fechar en Galiza 75 granxas de leite. O ano comezou con 8.476 explotacións en Galiza e marzo despediuse con 8.401. Cada semana, logo, desapareceron seis destas granxas no noso país. Nese mesmo período, no estado español fecharon 189 explotacións, polo cal as galegas representan o 40% do total. Un dato preocupante mais que supón unha mellora a respecto de 2016, un ano no que os peches galegos eran o 60% do total estatal. Son datos do 'informe mensual que publica Fega, Fondo español de garantía agraria, dependente do Ministerio de Agricultura. Neste primeiro trimestre, o prezo ao que se paga o leite aos produtores pasou dos 30,4 céntimos o litro de xaneiro aos 30,2 de marzo. Mellor prezo que en 2016, ano que comezou co pagamento do litro de leite aos gandeiros galegos a 28 céntimos de media. Porén, o prezo continúa por baixo da media española. Así, en marzo de 2017 o importe que se paga é de 31,4 céntimos o litro, o que supón 1,2 céntimos máis que en Galiza. Entre xaneiro e marzo a produción de leite en Galiza foi de 651.332 toneladas, o que representa o 37,4% do total de leite producido no estado español. Un 35,7% desa produción en Galiza vai con destino a outros territorios do estado español. Unha porcentaxe que é superior á que había neses tres meses de 2016, cando era o 34,3%. |
NOS_14772 | Falamos coa escritora Teresa Moure, unha das promotoras do manifesto "O fim do Apartheid" que reclama o cese da "discriminación" do reintegracionismo dentro da cultura galega. | - Que vos levou a publicar ese manifesto?- A verdade é que a cousa sucedeu un pouco por acaso, porque nos últimos días, semanas, nos fíos de Facebook, aparecía un pouco esta idea de moitos reintegratas, en conversas diferentes, da exclusión e de como o estabamos vivindo. E así informalmente, nunha desas conversas, cinco persoas, todas reintegracionistas, decidimos facer esta intervención, publicar un texto e solicitar sinaturas. - E a partir de aí pedistes algún tipo de xuntanza coas entidades ás que apelades directamente, como as editoriais, A Mesa ou outras asociacións?- Por agora non, o único que houbo foi esta petición individual de sinaturas. - A estas alturas levades máis de 500 apoios. Tedes folla de ruta a partir de aquí?- Aínda que todo foi, insisto, bastante casual, non responde a unha actividade planificada previamente, o que imos falando nestes días, vendo a boa acollida que está tendo, vai implicar facer algún movemento, probablemente esta actividade poida ter algún tipo de continuidade coa idea de conseguir esa solidariedade desexada do resto da cultura galega. Pero non hai nada como unha folla prevista. "Se a lingua está a morrer nós tamén somos efectivos a favor da lingua" - As reivindicacións con respecto ás editoriais son claras, queredes publicar e que poidades presentarvos a premios literarios. Que é o que lle pedides ao resto das asociacións da cultura galega?- O que pedimos é unicamente que as persoas que non se senten identificadas coa normativa que nós utilizamos e que non a van utilizar, non estamos buscando conversos que se veñan a escribir coma nós, senón que nos acepten como parte da cultura galega a todos os efectos. Loxicamente, creo que si se pode inferir do texto que eses efectos son, cando se trata de convocar un premio, permitírsenos seguir escribindo galego como nós o escribimos, cando se trate de trate dunha publicación nunha editora, que se acepte sen ter que facer modificacións gráficas. Cando fan algunha campaña algunha asociación, que tamén esteamos presentes e visibles, somos algo máis dentro da cultura galega. Non somos inimigos, non escribimos nunha lingua diferente. Na situación na que está a lingua, unha situación problemática e de acoso e de difultades de supervivencia, eu creo que este apelo en termos éticos, por iso a argumentación se fixo sobre todo en termos éticos, non en termos filolóxicos, ou en termos de competir ou de valorizar unha determinada normativa, leva unicamente a iso, a se a lingua está a morrer nós tamén somos efectivos a favor da lingua, por iso non hai ningún tipo de hostilidade contra persoas que utilicen outra normativa. |
NOS_34369 | O movemento da dirección estatal do Partido Popular cara ás teses ultras de Vox teñen efectos en Galiza. Non por acaso, Alberto Núñez Feixoo foi un dos apoios do presidente do partido Pablo Casado, abandeirado do xiro reaccionario. Neste contexto, o BNG preguntou hoxe ao xefe do Executivo galego "se coincide con Vox en que non existe a violencia de xénero". | A portavoz nacional do BNG Ana Pontón quere que Feixoo aclare se apoia a Casado cando este se amosa disposto a "mellorar" no Congreso a lei sobre violencia machista. "É importante saber se Feixoo está de acordo o se está con vox", expuxo Pontón esta segunda feira ante os medios de comunicación. A ruptura do PP cos consensos a respecto da violencia machista está directamente relacionada coas súa negociación co partido extremista Vox para acadar a presidencia da Junta de Andalucía. Os ultradereitistas colcoaron como condición para votar o candidato popular a supresión da lexislación sobre violencia de xénero. "Non podemos pregarnos a este vello e rancio machismo que agora se está intalando na dereita", engadiu Ana Pontón, quen pediu non dar "nin un paso atrás" na materia. |
NOS_10428 | A vella garda do PSOE continúa a súa marcaxe ás decisións de Pedro Sánchez. Esta terza feira, na Coruña, Alfonso Guerra advertíao de chegar a acordos co "populismo e o nacionalismo". O ex vicepresidente de Felipe González compareceu ante a prensa acompañado de Francisco Vázquez, ex alcalde socialista da cidade que se deixou ver en actos electorais de Ciudadanos. | Guerra presentaba o seu último libro, La España en la que creo. Ademais do aviso contra acordos con Unidas Podemos, o nacionalismo vasco ou o independentismo catalán, tamén afirmou que considera "complicado" que Sánchez goberne en solitario. E escusouse de lle recomendar o diálogo con Ciudadanos -formación da que o discurso de Guerra non dista en exceso-, debido á "animadversión" entre Albert Rivera e o líder socialista. O ex vicepresidente e ex deputado representa o pensamento do status quo e así se entorna en cada unha das súas declaracións. Para el, "un Parlamento moi fragmentado dificulta moitísimo a gobernación do país e iso non é moi positivo". E a frase completa a respecto de hipotéticos achegamentos cos nacionalismos ou con Unidas Podemos foi: "Claramente non é moi recomendábel para o ben da nación". |
NOS_20167 | O Sindicato Labrego galego asegura que estas industrias tentan negociar na Galiza unhas cantidades moi inferiores ás que teñen en Francia. | A renovación dos contratos entre a industria láctea e as explotacións gandeiras galegas continúa a xerar polémica. O Sindicato Labrego Galego (SLG) denuncia que empresas como Lactalis ou Reny Picot están obrigando a asinar para a seguinte campaña á baixa. No caso da multinacional gala, explican nun comunicado, "resulta un agravio comparativo insultante, xa que mentres en Francia Lactalis pactou subas de prezo coas granxas que a fornecen, pagando un valor medio en 2020 de 36,9 céntimos, aquí, na Galiza, segue forzando prezos que non chegan aos 33 céntimos". Desde o SLG cren que é "un feito de extrema gravidade tendo en conta que esta industria francesa é a principal compradora de leite na Galiza, recollendo máis de 500 millóns de litros de leite por ano a unhas 1.500 explotacións da nosa terra". No caso de Reny Picot explican que "a depreciación está a ser de medio céntimo, que se pode incrementar dependendo do punto crioscópico do leite, co cal se estarían a penalizar as granxas que teñen as vacas en réxime de pastoreo e, polo tanto, as máis sostíbeis e respectuosas coa contorna". Críticas á Consellaría de Medio Rural Esta baixada prodúcese nun difícil contexto para as granxas galegas co aumento do prezo dos cereais e, polo tanto, da alimentación animal. "Neste senso, resulta indignante que, esta mesma semana, a multinacional distribuidora Lidl veña de anunciar un acordo con Lactalis para subir o prezo do leite, de maneira que o incremento repercuta positivamente nas explotacións francesas", aseguran desde o SLG., Ademais critican que "á Consellaría de Medio Rural xa non se lle agarda nesta problemática" por ter "desmantelado a mesa do leite na que os axentes do sector podiamos debater e negociar para tentar chegar a acordos sobre os prezos". |
NOS_38668 | Os traballadores e traballadoras de Alcoa non dan nada por perdido e prepáranse para unha batalla sen cuartel. A un tempo, defenden o seu posto de traballo e o progreso dunha zona altamente dependente da produción de aluminio, que representa máis de 30% do Produto Interior Bruto (PIB) de Lugo. | Os chamados do comité de empresa de Alcoa e das organizacións sindicais non deixaban dúbida. A de onte foi unha xornada intensa. A representación social anunciaba unha reunión da súa comisión permanente para a primeira hora da mañá, a convocatoria de tres asembleas conforme as quendas de traballo e a elaboración dun calendario de mobilizacións. Á vez, a sección sindical da Confederación Intersindical Galega (CIG) afirmaba: "Veñen momentos moi duros de loita, no que o persoal de Alcoa e auxiliares, comité e sindicatos, todos xuntos, debemos defender o pan dos nosos fillos con uñas e dentes". As declaracións da Plataforma coordinadora das empresas auxiliares de Alcoa apuntaban na mesma dirección. O colectivo, que agrupa a representación sindical dos máis de 500 operarios das diferentes contratas que traballan para Alcoa, solicitaban ao comité de empresa da matriz "unha loita en común", como "única vía posíbel para lograr unha solución para isto". A alternativa deste colectivo tampouco ofrecía dúbidas e apostaba pola "nacionalización" como única opción viábel, "vendo a situación da Coruña e Avilés, con dous fondos investidores que non melloran a situación, senón que a agravan, a loita pasa por reclamar a intervención". Os traballadores das empresas auxiliares foron os primeiros en padecer as consecuencias dos recortes á produción aplicadas en Alcoa. Así, por exemplo, Reymogasa, unha das contratas históricas da alumineira pasou nun ano de 140 a 40 traballadores, tras aprobar un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) para 33 empregados hai dúas semanas. Segundo anunciou a dirección Alcoa, o desmantelamento das tres fases da planta de aluminio vai provocar a perda de 150 empregos nas contratas, cifra que consideran curta desde a Plataforma coordinadora das empresas auxiliares de Alcoa. O número de despedimentos nas empresas auxiliares de Alcoa vai roldar as 300 persoas. Segundo poñen de manifesto desde a representación sindical, Cotelsa, Reymogasa, Rodabell S.A., Montaxes Rodabell, Industrias Xove, Noguera, Jofrasa, Mayco, Tecresa e Pasek teñen a totalidade dos seus contratos de traballo na planta de aluminio, o que aboca todas estas sociedades ao feche. Porén, a maioría das auxiliares partillan carga de traballo nas factorías de aluminio e de alumina, polo que o impacto vai afectar o tecido articulado arredor do complexo de San Cibrao (Cervo), cuxa presenza na zona é anterior á chegada de Alcoa e nalgúns casos remóntase á época da construción da factoría. Comezan as protestas Os traballadores cortaron onte con barricadas de pneumáticos ardendo as estradas de acceso a Alcoa, coincidindo coa entrada da quenda da mañá. A acción de protesta, a primeira convocada desde que a dirección da multinacional fixo pública a súa intención de despedir máis de 800 persoas, collía por sorpresa moitos operarios que nese momento se dirixían a iniciar a súa xornada laboral, provocando grandes caravanas de coches. Segundo sinalaron a Nós Diario algúns dos organizadores, "a medida pretende deixar claro desde un principio á empresa, ao Goberno galego e ao Goberno estatal que estamos dispostos a chegar até o final porque cando os pneumáticos arden na estrada da fábrica é que algo moi gordo se prepara na Mariña". A xuntanza da comisión permanente do comité de empresa da multinacional non deparou grandes sorpresas. O organismo de representación sindical acordou por unanimidade instar as formacións políticas a solicitar do Goberno estatal a intervención da factoría, así como a súa nacionalización. "Pensamos que é o momento de que Alcoa volva ao sector público de onde nunca debeu saír e vémonos con forza para conseguilo. A empresa está máis débil do que semella e é posíbel reverter a situación ", indicaron a Nós Diario desde a representación social. "O ambiente na fábrica non é de derrota, senón todo o contrario, como demostra a masiva resposta ás tres asembleas de traballadores que organizamos, coincidindo cos horarios das quendas, así como a vontade da xente por mobilizarse", destacan fontes sindicais, que anuncian contundentes accións de protesta a realizar nos vindeiros días. "Queremos que sexan grandes mobilizacións, cunha importante participación social, respectando as condicións do estado de alarma, cumprindo todas as garantías e que teñan un carácter permanente a partir de agora. Alcoa sálvase loitando e as nosas reivindicacións van chegar onde faga falla", salientan os traballadores. "É o momento de ir todos xuntos da man, sindicatos, formacións políticas e concellos", continúan, ao tempo que denuncian que "o Goberno estatal e a Xunta non se teñen posto en contacto con nós". |
NOS_21536 | A investigadora e divulgadora cultural Cilia Torna recupera para Sermos Galiza a figura de Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido como Pedro Madruga, e o seu papel en defensa do achegamento de Galiza con Portugal e contra o asoballamento de Castela. Eis un extracto da información publicada no número 298 de Sermos Galiza. | As décadas finais do século XV serán testemuña dos derradeiros capítulos da resistencia galega á incorporación subordinada do país á coroa de Castela. Estamos ao remate dun proceso político iniciado por volta de 1230 coa anexión de Galiza a Castela, na persoa do Fernando III e que terá continuidade ao longo do século XIV, após as sucesivas derrotas do partido galego, encabezado polos Castro e posteriormente por Xoán Andeiro, defensores dunha Galiza dirixente no contexto ibérico, virada de costas a Castela, unida a Portugal e abrazada ás nacións do Atlántico naquela Europa da guerra dos cen anos. Xa corrido o século XV, o fracaso da revolta irmandiña e particularmente a derrota da rebelión galega, na que acadaron o papel de símbolos Pardo de Cela, Pedro Madruga ou o Conde de Lemos, deixa a Galiza fanada, frustrada, inerme ante a expansión de Castela e presa na roda colonial. Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido popularmente como Pedro Madruga, simboliza a rebeldía máis sostida no tempo e con máis posibilidades de éxito naquel tempo político. Nado dunha relación extra matrimonial entre Constanza de Zúñiga, sobriña da condesa de Santa Marta, e Fernán Eans, señor de Soutomaior, como outros membros segundóns desta familia fixo carreira eclesiástica, ocupándose como cóengo da Catedral de Tui, chegando a suxerir o propio rei Henrique IV en 1467 o seu nomeamento como arcebispo de Compostela en substitución de Alonso de Fonseca. Sinalouse por unha relación contraditoria co movemento irmandiño, pasando dunha inicial tolerancia e mesmo sintonía, como demostra o xuramento do seu irmán e predecesor aos estatutos da Irmandade de Ourense, ao combate máis duro, unha vez que Pedro Madruga retorna do seu refuxio portugués xa convertido en cabeza da casa de Soutomaior, após a disposición testamentaria do seu irmán Alvaro Paes e a validación de Henrique IV en agosto de 1468. [Podes ler a información íntegra no número 298 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_44946 | Tres pezas musicais para distintas escenas do libro compoñen a banda sonora de Os fillos do mar. Os creadores son antigos compañeiros de Pedro Feijóo, autor da novela, no grupo Lamatumbá. | Despois de ter gañado o Premio San Clemente e chegar xa a súa quinta edición, a exitosa novela de Pedro Feijóo continúa a dar noticias, desta volta da man de compañeiros do autor no grupo Lamatumbá que poñen música a escenas do libro. Polo de agora, son tres pezas musicais que se poden escoitar como fondo á narración da escena na voz do autor, Pedro Feijóo, un escritor que provén do mundo da música, presente tamén na súa obra. En Viva o Fu Remol! (Xerais), Feijóo achegaba unha crónica arredor do panorama musical galego. As escenas do libro musicadas pódense escoitar aquí. |
PRAZA_18280 | O presidente da Xunta e Martiño Noriega reúnense a sete meses das municipais nun clima de aparente distensión das relacións. O titular do Goberno galego admite que a depuradora da capital galega se instalará onde sinala o Concello, pero négase a construír un novo aparcadoiro no hospital Clínico | Restan apenas sete meses para os comicios municipais, uns comicios nos que as sete cidades galegas volverán ser termómetro electoral para o conxunto do país. Un dos focos de atención prioritaria na noite electoral han ser, con toda seguridade, as tres cidades da provincia da Coruña que o PP perdeu en bloque no ano 2015 tras lograr gobernar as tres á vez por primeira vez catro anos antes. Este é o pano de fondo no que este mércores se celebrou a xuntanza entre o presidente da Xunta e o alcalde de Santiago, que estivo precedida pola tensión entre ambas institucións pola demora de Alberto Núñez Feijóo na petición de xuntanza formulada por Martiño Noriega, pero no que, no entanto, o xefe do Goberno galego esquivou o enfrontamento. Apenas un mes despois de que Noriega confirmase a súa intención de volver ser cabeza de cartel de Compostela Aberta e tras unha presentación do aspirante popular á alcaldía, o ex-conselleiro e ex-rexedor Agustín Hernández, na que Feijóo cargou con dureza contra o goberno municipal da capital galega, no encontro de San Caetano o ton foi diferente. O alcalde compostelán acudiu á sede da Presidencia cunha trintena de asuntos de "traballo conxunto" en clave local e o titular da Xunta deu en "repasar" os investimentos autonómicos na cidade obviando as polémicas, caso do freo sistemático que o Goberno galego impuxo nos últimos anos á taxa turística que reclama o Concello. O Concello reclama que a Xunta constrúa un aparcadoiro nun terreo municipal lindeiro co hospital e Feijóo négase para non "discriminar" outras cidades Con este pano de fondo o principal punto de fricción estivo no proxecto de novo aparcadoiro do hospital Clínico, que a xuízo do Concello debera ser construído pola Xunta nunha zona especialmente saturada de vehículos durante as mañás e que no futuro verá incrementada a presión de desprazamentos por mor do traslado da facultade de Medicina da USC. O goberno local ofreceu un terreo municipal para que o Sergas constrúa o aparcadoiro, pero Feijóo négase. Facelo implicaría unha "discriminación" para o resto das cidades, afirma o presidente da Xunta mentres aínda está pendente de resolución o conflito polo aparcadoiro do hospital de Vigo, cuxa gratuidade reclama o Concello tras inaugurar un propio de balde, algo que tamén aconteceu en Lugo. Vista do Clínico de Santiago, cuxa contorna acumula diariamente grandes cantidades de vehículos / Sergas Alén do aparcadoiro, Feijóo tamén sobre o Clínico deu en "anunciar" que os vindeiros Orzamentos Xerais incluirán unha partida para "poder comezar a redacción do proxecto de ampliación do Hospital Público de Santiago", terminoloxía que o Goberno galego vén empregando para reforzar a idea de que os centros sanitarios galegos non foron atinxidos por privatizacións. No ámbito sanitario Noriega trasladoulle demandas xa históricas da corporación compostelá, como a construción dun centro de saúde no barrio de Conxo. O presidente da Xunta admite que a depuradora se instalará onde sinala o Concello co apoio do Goberno central e Noriega advirte da "obriga" de "manter a normalidade na relación á marxe do calendario electoral" A cuestión da taxa turística, a coordinación cara ao Xacobeo 2021 ou o compromiso para a construción de infraestruturas sociais como a prometida residencia de maiores, así como a apertura definitiva do Centro Galego de Desenvolvemento Integral para persoas con discapacidade (CEGADI), que acumula cinco anos de atraso, estiveron tamén na axenda do rexedor compostelán nunha xuntanza na que atopou unha aparente mudanza de actitude de Feijóo nun dos asuntos que o Concello arrastra durante décadas: o emprazamento da nova depuradora de augas residuais do río Sar. Despois de que o novo Goberno de España apoiase o plan para ampliar a actual depuradora da Silvouta no canto de construír unha nova no Souto, opción que veu sendo defendida polo PP e pola propia Xunta, Feijóo asegura manter "preocupación" ao respecto, pero admite que "vai seguir comprometida co financiamento que se tiña pactado" porque o Concello, en última instancia, é "soberano" nesta decisión. Noriega encadra o clima do encontro en asuntos coma este na "cultura de cooperación nas cousas que lle afectan á cidade" que adoitou ter a capital galega, con gobernos locais de signo diferente ao da Xunta na maior parte do período autonómico, e advertiu da "obriga" de "manter a normalidade nas relacións á marxe de calendarios electorais". |
NOS_8059 | A Consellaría de Sanidade notificou dez novos pasamentos, todos de persoas con patoloxías previas. | Os casos activos de Covid-19 aumentan nas sete áreas sanitarias da Galiza, polo que ascenden a un total de 13.779, 946 máis que a pasada xornada, tras rexistrarse 1.780 novos contaxios. Os pacientes ingresados descenden lixeiramente a 636. En canto á taxa de positividade, repunta até 34,16%, sete veces máis de 5% recomendado pola OMS para dar por controlada a transmisión do virus. Segundo os datos actualizados esta quinta feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da cuarta, recollidos por Europa Press, aumentan a 15 as persoas hospitalizadas en UCI pola Covid-19 na Galiza (dúas máis), pero descenden a 621 as ingresadas en unidades convencionais (catro menos), mentres que 13.143 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en dúas das sete: Vigo e Lugo; mantense na de Ourense; e aumenta na da Coruña e Cee, Santiago e Barbanza, Ferrol e Pontevedra-O Salnés. Que di o BOE sobre a retirada da obrigatoriedade das máscaras en interiores? En concreto, na da Coruña e Cee aumentan a seis os pacientes ingresados pola Covid-19 en UCI (un máis) e a 141 os hospitalizados noutras unidades (15 máis); mentres que na de Pontevedra e O Salnés seguen dúas persoas en críticos e soben a 81 as doutras unidades (dúas máis). Na área de Santiago e Barbanza mantéñense dous ingresados por Covid en UCI e increméntanse a 83 os doutras unidades (un máis); mentres que a de Ferrol segue sen pacientes en críticos e rexistra 67 noutras unidades (catro máis). No caso da área de Ourense, que a xornada anterior non tiña pacientes Covid en UCI, rexistra hoxe dous, mentres que descenden a 108 os ingresados noutras unidades (dous menos). Pola súa parte, a área sanitaria de Vigo continúa con tres pacientes Covid en UCI e conta con 88 noutras unidades (18 menos), mentres que a de Lugo, como a de Ferrol, tampouco conta con críticos, e rexistra 53 noutras unidades (seis menos). Volven aumentar os casos activos Os casos activos, após o descenso da xornada anterior, aumentan nas sete áreas sanitarias galegas. O maior incremento corresponde á área sanitaria de Vigo (+221), seguida da da Coruña e Cee (+192), Ourense (+140), Lugo (+137), Pontevedra e O Salnés (+100), Ferrol (+79) e Santiago e Barbanza (+72). Polo tanto, con máis infeccións activas mantense a área da Coruña e Cee, con 2.709; seguida da de Vigo, con 2.391; Santiago e Barbanza, con 2.195; Lugo, con 2.051; Ourense, con 1.770; Pontevedra e O Salnés, con 1.532; e á cola segue a de Ferrol, con 1.117. Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade esta pasada terza feira, 19 de abril, adaptado ao novo sistema de vixilancia da Covid-19 centrado en poboación vulnerábel, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza en maiores de 60 anos ascende a 1.049,27 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media do Estado español aumenta até 505,86. Novos contaxios Os novos contaxios seguen en aumento, até os 1.780. Así, os contaxiados ascenden na Galiza a 572.378, dos cales 131.651 corresponden á área de Vigo; 119.037 á da Coruña e Cee; 90.418, á de Santiago e Barbanza; 68.842 á de Ourense; 65.645, á de Pontevedra e O Salnés; 61.685 á de Lugo; e 34.259, á de Ferrol. Esta cuarta feira o Sergas levou a cabo 2.928 PCR, polo que aumentan a 3.830.421 as probas deste tipo feitas desde o inicio desta pandemia, e 3.317 test de antíxenos, que elevan a 1.668.115 os feitos na Galiza. Sanidade notifica 10 novos falecementos As vítimas da pandemia pola Covid-19 na Galiza son xa 3.314, despois de que a Consellaría de Sanidade notificase este outros 10 falecementos de pacientes, todos eles con patoloxías previas, rexistrados en varios días. Pola súa banda, 555.343 persoas curáronse da Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria, despois de recibir o alta outras 825 na xornada pasada en toda a Galiza. |
NOS_38285 | Vén de ver a luz unha guía de recomendacións para facer fronte á Covid-19 no sector escénico, que sinala a conveniencia de cribados e/ou probas ao elenco artístico, unha reivindicación que desde hai tempo viñan facendo as asociacións sindicais. A natureza do espectáculo teatral condiciona en ocasións a adopción doutras medidas como o mantemento da distancia ou o uso de máscaras, polo que os tests se volven fundamentais para evitar a aparición de focos, adaptándose aos distintos puntos e tipos de produción. | O sector escénico é unha das disciplinas que máis duramente está a sufrir o impacto da Covid-19. Segundo datos tirados do informe que publicaba onte o Consello da Cultura Galega, a asistencia caeu de maneira moi acusada, tanto nos espectáculos gratuítos como nos de pago. Se antes 5 de cada 10 persoas aseguraban non ir nunca, agora son 8. Isto tradúcese en 732.000 espectadores menos e unha contracción do gasto medio anual de 89,6 a 66,9 euros. Isto é debido, en boa medida, á presencialidade desta disciplina e aos medos que esta comporta para as asistentes. Neste senso, o traballo sobre as táboas ten ademais un compoñente de risco engadido para as propias profesionais da escena, pois a natureza dos espectáculos moitas veces non permite o uso de máscaras ou o mantemento das distancias recomendadas. Como se vive esta situación desde dentro? Desde este mes, o sector conta cunha guía de recomendacións fronte á Covid-19, consensuada polo comité de Saúde Laboral do Convenio de Actores e Actrices da Galiza, integrado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Comisións Obreiras (CCOO), Unión Xeral de Traballadores (UXT) e Confederación Intersindical da Galiza (CIG) como parte das traballadoras e a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas Escena Galega e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Gardar a distancia Esta era unha demanda que viña de lonxe para os actores e actrices. Como expresa Xabier Deive, presidente da AAAG, o documento chega "moi tarde", considerando que desde a súa asociación sindical levan "desde maio, desde que rematou o confimamento", reclamando un protocolo que lles permita subirse ao escenario en condicións de seguridade. "O teatro é unha arte de contacto. Recrear actividades que na vida normal se volveron perigosas comporta ese mesmo risco", explica Deive "O teatro é unha arte de contacto, e cando non pola proximidade pode haber intercambio de fluídos. Recrear actividades que na vida normal se volveron perigosas comporta ese mesmo risco", explica. Á saída do confinamento, "as medidas centrábanse na seguridade do público", explica Deive, sen entrar a valorar unha competencia que considera das expertas sanitarias. Porén, as traballadoras e traballadores sobre o escenario ficaron esquecidos da ecuación, sen pautas específicas para enfrontarse á nova normalidade. Se queres seguir a ler só tes que ir ao quiosque máis próximo polo Nós Diario ou facer a compra na nosa loxa online. Que non che volva pasar isto: tramita xa mesmo a túa subscrición! |
NOS_57758 | O coruñés agradeceu ao público que apoiou a súa carreira. 'A galiña Turuleca', de selo galego, recibe o Goya á Mellor Película de Animación como única nomeada nesta categoría. | O galardón ao mellor actor dos Premios Goya na súa 35º edición foi para o galego Mario Casas, protagonista do filme 'Non matarás' de David Victori. "Moitas grazas ao público porque me apoiastes desde hai 15 anos", afirmou Casas nunha gala que se realizou de manira telemática. O coruñés lembrou a todos aqueles que estiveron "a tres metros sobre o ceo", en alusión a unha das súas primeiras películas. Ao revelarse o seu nome como gañador na categoría, Casas recibiu as apertas dos seus familiares e seres queridos cos que viu a gala e mostrou unha cabeza de 'Iron Man' que, como relatou ao público, o seu irmán pequeno dixo que lle regalaría se finalmente gañaba. Para o actor era a primeira vez que participaba nomeado nesta categoría e atribuíuno non só á súa última película 'Non matarás' senón á súa carreira profesional durante os últimos anos. "Son anos atrás de películas, e creo que as académicas e os académicos tamén agradeceron isto", aseguraba, "está 'O Practicante', 'Fogar' e 'O fotógrafo de Mauthausen', estou moi agradecido aos académicos e contento", subliñou o actor en rolda de prensa posterior á gala dos Goya. Mellor película de animación para 'A galiña Turuleca' Outro dos galardóns da noite con selo galego foi o Goya 2021 á Mellor Película de Animación que recaeu no filme 'A galiña Turuleca' (Brown Films, A.I.E., Gloriamundi Producións, S.L., Producións A Fonsagrada, Tandem Films, S.L.). A cinta era un dos galardóns seguros da noite, xa que non competía con ningunha outra produción e era a única nomeada nesta categoría. |
NOS_52752 | A Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños lembra a necesidade respectar estes exemplares "inofensivos" para as persoas. No caso de atopar unha cría varada nun areal, recomenda devolvela á auga colléndoa cunha toalla. | As quenllas (Prionace glauca) reprodúcense en augas oceánicas. Cando as crías saen do ovo atópanse arrodeadas de predadores, doutras quenllas e peixes de maior tamaño que o seu. Na súa fuxida, chegan ás costas galegas, onde se alimentan e medran o suficiente como para emprenderen o camiño de volta. "Sempre se viron crías de quenlla, pero antes rexistrábanse un ou dous avistamentos no verán e desde hai uns catro anos son moito máis frecuentes", explica a Nós Diario Alfredo López, biólogo e presidente da Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Marinos (Cemma). Desde Cemma apuntan as mudanzas da temperatura oceánica, cos consecuentes cambios na distribución desta especie, como a posíbel orixe desta nova tendencia. "Mantemos contacto con investigadores canadenses, que percibiron estas mesmas variacións, mais fará falta unha serie anual máis ampla para sacar conclusións", agrega López. Os avistamentos predominan na costa occidental, se ben neste mes de xullo predominaron desde Fisterra cara ás costas do sur. "Xa houbo algún no norte de Lugo, pero son moi pouco frecuentes", sinala o biólogo. A maioría corresponden a espécimes da Prionace glauca, aínda que nun areal do municipio de Barreiros advertiron nos pasados días da presenza dun momo ou quenlla peregrina (Cetorhinus maximus). "Normalmente avístanse a finais da primavera e comezos do verán, pero a Mariña está máis influenciada polas augas do Cantábrico, a súa temperatura e a distribución das especies que alí viven", explica López. Até os anos 50 houbo unha pesqueira de momos na área de Bares. Exemplares varados Cemma anima a cidadanía a chamar ao teléfono 686989008 cando advirta a presenza dunha quenlla na costa, para incorporala ao seu rexistro. López lembra tamén que estes espécimes son exemplares moi novos e inofensivos. Moitos deles chegan cansos e rematan varados na praia. No caso de atopar unha cría de quenlla viva nun areal, o biólogo recomenda recollela cunha toalla e devolvela á auga. "Hai que procurar non ter contacto cos animais, deixalos tranquilos e non tratar de extraelos da auga para evitar algunha situación de risco, pero os bañistas poden estar tranquilos, pois as crías non supoñen ningún perigo", conclúe López. |
NOS_11918 | O presidente do executivo galego muda de opinión e defende que Galiza acuda ao fondo de rescate "se obtén mellores condicións que no mercado". | A Galiza solvente, autónoma. A Galiza que paga e non pide rescates pregoada por Alberto Núñez Feijóo podería claudicar fronte aos intereses do goberno español. Neste senso, a pasada terza feira, o presidente da Xunta de Galiza, aseguraba nunha entrevista concedida á radio española (RNE) que --malia os seus compromisos reiterados-- valoraba a posibilidade de acudir ao Fondo de Liquidez autonómico (FLA) habilitado polo executivo español se "o Tesouro ofrece mellores condicións de financiamento que o mercado", asegurou Núñez Feijóo. "Acudiremos ao Fondo de Liquidez se o Tesouro ofrece mellores condicións de financiamento que o mercado" Coas súas declaracións o líder do executivo abre as portas ao rescate da economía galega e á conseguinte perda de autonomía que el propio criticaba durante a campaña electoral cando interpelaba o president da Generalitat, Artur Mas, asegurando que "hoxe Galiza paga e Catalunya pide". Aliás, nos últimos días, tanto o presidente da Xunta como algúns dos membros da súa equipa, negaban de maneira tallante que o noso país acudise ao fondo de rescate argüíndo que a economía galega era "solvente" grazas á "boa xestión do goberno galego", como afirmou a conselleira de Facenda, Elena Muñoz. Porén, Alberto Núñez Feijóo procurou suavizar as súas declaracións asegurando que a solicitude do crédito proporcionado polo Estado español só se levaría a cabo "para mellorar as condicións" que lle impoñen a Galiza os mercados financeiros, ao tempo que recuncou nas cifras para asegurar que a economía galega "non ten problemas". "Os galegos terán que realizar máis sacrificios" No entanto, diversas voces apuntan unha presión exercida desde o executivo de Mariano Rajoy aos baróns do PP á fin de que estes --accedendo ao rescate-- condicionen as súas contas públicas aos intereses de Madrid. As condicións derivadas do FLA permitirían ao goberno español gañar control e mesmo impor subas de impostos, o que lle outorgaría unha maior capacidade de manobra para aplicar os ditames deseñados en Bruxelas. Así as cousas, e malia a postura defendida na Xunta de Galiza, o presidente do executivo advertiu que "os galegos terán que realizar máis sacrificios" ao longo deste ano. Alberto Núñez Feijóo avanzaba así a chegada de novas medidas de axuste. |
NOS_23387 | Coincidindo co 40 aniversario da Revolução dos cravos, a Aula Castelao dedicou a súa Semana Galega de Filosofía aos procesos de transformación desde múltiples perspectivas. | A Aula Castelao deu por clausurada a Semana Galega de Filosofía esta sexta feira (25 de abril). Na mesma data en que se producía o levantamento militar e popular que poría fin á ditadura salazarista en Portugal, Galiza acolleu o remate dunhas xornadas que quixeron contribuír a reflexionar sobre as mudanzas políticas, económicas e sociais que conleva calquera proceso verdadeiramente revolucionario. Mais tamén, sinalaron desde a Aula Castelao, arredor da "necesidade dunha mudanza na base, unha revolución" face un sistema alicerzado na desigualdade e a explotación das maiorías sociais. "Outro mundo, outra sociedade é posíbel, non outro capitalismo. Por moito que se reforme non poderá ser igualitario. A clase traballadora, os desposuídos os pobos colonizados deben tornarse suxeito político consciente", aseguraron. Neste senso, múltiples persoas de grande relevancia nacional e internacional compuxeron un amplo abano de voces e perspectivas coas que ollar a revolución. Marxismo, ecoloxismo e feminismo déronse a man nunha ducia de ponencias das que tomaron parte nomes como Terry Eagleton, Santiago Alba Rico, Farruco Sesto, ex-ministro da Venezuela Bolivariana, ou a artista visual María Ruído quen reivindicou na súa intervención "a vida como espazo de transformación" e "o persoal" como concepto, tamén, "político". A vixencia e actualidade do pensamento marxista no centro das xornadas Nun intre onde a crise económica, enerxética, política e mesmo social está a abrir novas fendas no réxime imperante, a Semana Galega de Filosofía reflexionou sobre a opresión, os recortes en dereitos e liberdades fundamentais, ou as novas tecnoloxías como ferramentas para o cambio. Aliás, diversos autores debruzáronse sobre a vixencia do pensamento marxista no marco da crise do capitalismo, habida conta, asegurou Eagleton que "o capitalismo é un dos grandes preservadores de Marx". A clausura correu a conta do ex-ministro do goberno de Venezuela, Farruco Sesto quen debullou as transformacións acometidas pola revolución bolivariana, a realidade actual que atravesa o executivo de Nicolás Maduro, os retos face o pasamento de Chaves e os movementos desestabilizadores da oposición. Sermos Galiza difundiu ao vivo as xornadas e todos os vídeos poden ser visualizados nesta ligazón grazas ao sinal disponibilizado por GzVídeos. |
PRAZA_14406 | Megabox, o novo proxecto de Kim Dotcom, verá a luz antes de final de ano e quere ser unha ponte directa entre usuarios e artistas que (en principio) recibirían o 90% dos ingresos. Esta semana comezan a difundirse videos promocionais que permiten ver a nova plataforma. | Megabox, o novo proxecto de Kim Dotcom, verá a luz antes de final de ano e quere ser unha ponte directa entre usuarios e artistas que (en principio) recibirían o 90% dos ingresos. Esta semana comezan a difundirse videos promocionais que permiten ver a nova plataforma e os programadores e deseñadores traballando no novo proxecto, que segundo o seu creador está completado ao 90%. Megabox quere darlle a volta ao negocio das discográficas e permitir os artistas venderlles directamente aos usuarios as súas cancións. Megabox asinará contratos exclusivos con artistas e parece que uns dos primeiros son The Black Keys, dos que soa unha canción no video promocional. Megabox quere darlle a volta ao negocio das discográficas e permitir os artistas venderlles directamente aos usuarios as súas cancións A plataforma quere tamén involucrar os usarios o seu crecemento a través de Megakey. Trátase dunha aplicación que instalarían os usuarios para cambiar a publicidade que van atopando pola web por anuncios procedentes de Megabox. Ao consumir esta publicidade, os usuarios poderían acceder a contidos de maneira gratuita. Pasaron xa nove meses dende que o goberno de Estados Unidos acabou con Megaupload. Megaupload chegou a ter 50 millóns de visitantes cada día. Dotcom e o resto dos detidos aínda agardan o seu xuízo. Para evitar que Megabox teña o mesmo final que o seu predecesor Dotcom está construíndo unha "rede global masiva" na que "todos os hosters non estadounidenses poderán conectar os seus servidores e banda ancha". |
NOS_46598 | O plan israelí para asentar a ocupación da meseta siria prodúcese unhas semana após Donald Trump ter recoñecido a soberanía israelita sobre este territorio. | O estado de Israel reforzará a súa ocupación sobre a mesta siria dos altos do Golán enviando 250.000 persoas colonas e construíndo 30.000 vivendas. Esta medida prodúcese após Estados Unidos recoñeceren a soberanía de Israel sobre a meseta siria. O plan foi anunciado pola radio Katan, que está ligada á compañía de radio e televisión públicas de Israel. Israel planea con esta medida formar dúas urbes máis nestes territorios, edificando un total de 20.000 vivendas máis, co que se chegaría a triplicar a poboación de Katzrin, actualmente o asentamento israelita máis grande da rexión. Este plan pretende estar concretado antes do ano 2048, cando se celebrará a fundación do réxime sionista. A meseta dos altos do Golán está situada na fronteira entre Israel, Líbano, Xordania e Siria; e conta con 1.800 quilómetros cadrados, dos que 1.200 están ocupados militarmente por Israel. Este territorio foi arrebatado a Siria por parte de Israel durante a guerra dos Seis Días (1967) e a guerra de Yom Kipur (1973), feitos polos que a ONU, a través do seu Consello de Seguridade, adoptou considerar a rexión coma territorio ocupado. |
NOS_14742 | O Goberno galego volve identificar o aumento de contaxios coa apertura da hostalaría. A indignación provocou varias accións de protesta e a petición unánime de medidas económicas directas. | As novas restricións da Xunta da Galiza á hostalaría e os negocios de ocio nocturno saben a castigo no sector. Cando o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciaba a pasada sexta feira os datos da pandemia ao remate das festas de Nadal e as novas medidas para os locais, co fechamento interior, novos horarios e atención a un máximo de catro persoas nas terrazas, certificaba que o punto de mira do Goberno galego estaba nos bares e restaurantes. Na pasada segunda feira as asociacións de Compostela iniciaron as protestas diante da residencia do presidente da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, e esta terza feira a mobilización foi na Coruña. Denuncian que se está a criminalizar a súa actividade e que non contan con indemnizacións como acontece noutros países europeos. "O que reclamamos é unha non discriminación do noso sector con respecto a outros e pór en evidencia que a mobilidade se dá tamén noutras actividades, non só na hostalaría", asegura a Nós Diario o voceiro de Hostalaría Compostela, Lois Peres, "se a solución é fecharnos hai que indemnizar", engade. Esa petición é unánime en todas as entidades, unha vez coñecidas as medidas que tomaron outros países como foi o caso de Alemaña. "Se é certo o que di Feixoo de que fechando a hostalaría baixan os contaxios paramos sen problema, mais cunha indemnización acorde ao que é o negocio, como en Europa, en función do nivel de facturación, e non esmolas", afirma Lopes. Cheché Real: "Temos que pagar taxas e impostos sen ter ingresos" "Somos o único sector que está afectado directamente por restricións e limitacións", lembra Cheché Real, presidente da asociación da Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo (Apehl). Alerta a Nós Diario de que tamén está en perigo "toda a cadea de valor que está ao redor da hostalaría, como o caso do sector primario, que evidentemente está moi afectado". Explica que a situación económica "é caótica" porque "temos que pagar taxas e impostos sen ter ingresos". Dentro da hostalaría, a peor parte nestes meses levouna o ocio nocturno. Lucía Vázquez, membro da asociación de bares, pubs e discotecas de Compostela, é consciente de que "non aguantan máis". Comparte a apreciación do resto de asociacións cando considera que deben recibir "indemnizacións, porque os nosos negocios están intervidos pola Administración pública, e sen unha xustificación clara sanitaria nin sen estabelecerse ningún tipo de compensación nin de diálogo con nós". Outra das entidades que traballa o ocio nocturno é a asociación de salas de concertos Clubtura. Alberto Grandío, o seu presidente, ve "moi negro o ano 2021". Cre que moitos locais fecharán por non poder aguantar este inicio de ano. "Tivemos unha pequena axuda e debería vir outra para os locais de concertos no mes de xaneiro mais non chega", asegura. Por este motivo, no seu caso reivindican "estar nun paquete de cultura" por ser, en moitos concellos, "a única posibilidade que teñen de asistir a concertos e permitir que o tecido cultural siga traballando". A distribución para a hostalaría segue na incerteza As empresas de distribución de bebidas e alimentos manteñen a súa actividade baixo mínimos. José, comercial nunha empresa de distribución de bebidas con 40 persoas no seu cadro de persoal, explica a Nós Diario que é dos "afortunados" por contar cunha media xornada cando "hai quen non se incorporou desde marzo". Di que co 30% da hostalaría de Compostela aberta "sobramos a metade". Coas novas restricións, "o único que vendes son os cafés" por "non poder ocupar o interior e só dispor das terrazas". Di que "o cliente está moi queimado e máis cos cambios de última hora". Feixoo e a mala xestión da pandemia na Galiza A decisión do presidente da Xunta de abrir a mobilidade total dentro da Galiza nos principais días das festas do Nadal causou indignación unha vez coñecido o seu resultado en forma de contaxios. "Eu non podo dicir que non o esperara", conta Vázquez, "cando se nos fai o feche encuberto de novembro nas asociacións falamos de que Feixoo deixaríanos abrir para a ponte de decembro coa idea de salvarlle as vacacións a eles e aos seus amigos e despois de reis volver a fecharnos", engade. "Se é unha cuestión de mobilidade consideramos que hai sectores que teñen máis", indica Lois Peres. Recoñece que son "un móbil tractor grande e se paramos tamén para moita actividade como pode ser a de comercios" mais tamén cre que hai que ter en conta o que acontece "co transporte e as grandes áreas comerciais". A mesma reflexión fai Lucía Vázquez cando sinala que "levamos once meses con medidas estritas, non só para nós senón para toda a cidadanía con máscaras na rúa e distancia social "e logo as medidas e limitacións son diferentes como no caso dos autobuses ou os avións". As asociacións da hostalaría coicidiron en manter as mobilizacións. Todas as asociacións de hostalaría consultadas por Nós Diario coincidiron en asegurar que manterán as mobilizacións para que o Goberno galego non esqueza as súas reivindicacións. Neste sentido non descartan accións propias ou conxuntas por todo o páis. A última hora de onte fontes do executivo galego aseguraron que o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e a responsábel do departamento de Emprego, María Jesús Lorenzana.manterían esta cuarta feira unha xuntanza con entidades do sector para valorar algunhas das medidas a tomar. |
NOS_32405 | Non houbo efeito Fernando Vázquez na estrea do treinador de Castrofeito. O Deportivo perdeu a primeira das súas 15 finais no tramo decisivo do campinato. Fernando apostou por un trivote defensivo no centro do campo -Bergantiños, Assunção e Aguilar-, mas a equipa non gañou en consistencia. | A primeira aposta de Fernando Vázquez foi máis ben a prol do fútebol de altos fornos, siderúrxico, acumulación de quilos no centro do campo. O seleccionador galego puxo sobre o relvado a tripla Bergantiños, Assunção e Aguilar. O obxectivo, frear o talento do Sevilla na zona de criación. Protexer a Aranzubia. Mais non serviu de nada. O Sevilla foi un ciclón na primeira media hora de xogo, saldada cun 2-0. Non entrou polo centro a equipa de Emery, senón polas bandas. Navas puxo en evidencia a Evaldo. Moi mal ten que estar Ayoze para que Fernando Vázquez se decidise polo brasileiro para lle entregar o carril esquerdo (en realidade, a quen llo entregou foi a Navas). O 2-1 chegou nunha acción típica de Riki, mas o Deportivo apenas lle fixo as beiras á remontada. A falta de tensión na zona de cobertura foi aproveitada por Medel para facer o 3-1. Na segunda parte, con Valerón no campo e, nomeadamente, coa achega dun inspirado Salamão, o Deportivo levou o perigo á portería, á baliza sevillista. Oliveira tivo o gol en dúas ocasións, mas o gardamallas do Sevilla se encarregou de que o taboleiro de marcas non se movese. 3-1. Final de partido. O Deportivo suma 16 pontos após 24 partidos disputados. Fican 14 por se xogar. Segundo as contas de Fernando, con 8 vitorias a equipa safaría. 8 de 14 (o combo galego leva 3 de 24 no que vai de campionato). Impossible is nothing. |
NOS_22137 | Centos de traballadores do naval ferrolá maniféstanse perante un Parlamento blindado por ducias de antidisturbios que cortaron varias rúas o tránsito de persoas e vehículos. Os traballadores acusan o PP de ser responsábel da destrución do naval na comarca e anuncian novas e máis contundentes mobilizacións. | Manifestación de traballadores dos estaleiros de Ferrol en Compostela. Un milleiro de operarios chegados á capital de Galiza en auto-carros e carros particulares procedentes de toda a comarca e coa finalidade de reivindicar ante o Parlamento o que levan meses exixindo nas rúas, nos centros de traballo, nas xuntanzas: carga de traballo. "Non pedimos imposíbeis, só que Xunta e goberno cumpran o que prometeron en público: Floteis, dique flotante", sinalan desde o comité de empresa. "Non pedimos imposíbeis, só que Xunta e goberno central cumpran o que prometeron en público" A manifestación partiu da Alameda compostelá para chegar ante o Parlamento de Galiza. Alí, ducias de anti-disturbios totalmente pertrechados e coas escopetas de pelotas de goma ben á vista. Varias rúas cortadas ao tráfico e omnipresencia de furgonetas de policía nas máis próximas á Cámara parlamentar. "Máis traballo e menos policía" berraron os operarios ao chegar ante o cordón policial. Sen renderse Os traballadores depositaron no chan o cadaleito que simboliza o naval de Ferrol e os monigotes de Feijóo, Rajoy e o alcalde de Ferrol. Entre berros de 'Naval, solución' e 'Onde están, que non se ven, as promesas do PP' prenderon lume o féretro. E o cheiro a pólvora, das ducias de petardos que se guindaban cada pouco, enchía a Rúa do Hórreo, a do parlamento de Galiza. "Non falamos só dun sector, o naval. Falamos dunha comarca enteira que vai a pique. E dese naufraxio hai responsábeis" As palabras de orde seguían. Desde as clásicas 'Se isto non se amaña, caña, caña, caña' ou 'A culpa de quen é, dos que votan o PP' até as reivindicacións concretas ('Sen o dique, Ferrolterra vai a pique'), as acusacións con nome e apelidos ('O alcalde de Ferrol, é un esquirol') e o malestar pola ampla presenza policial ('Aí están, eses son, os piquetes do patrón'). Mais unha faixa, xa presente noutras mobilizacións, resumía o sentir dos manifestantes: 'Remata o traballo, remata a paciencia'. Cabo deles, dos traballadores, desprazáronse representantes dos grupos parlamentares do BNG, AGE e PSdeG. Cando quixeron volver o Parlamento atoparon os anti-disturbios a exixirlles a identificación. Ao igual que os veciños que viven no Hórreo e que para volver os seus enderezos tiñan que mostrar pouco menos que o contrato do piso a algún axente especialmente metódico. "A Xunta non ten xa nin a decencia de respondernos. Nin iso" "O trato da Xunta ao naval é unha vergoña" Ignacio Naveiras, voceiro do comité de empresa de Navantia, cualificou de "vergoñento" o trato e a actitude da Xunta e o goberno central para co naval de Ferrol. "Non temos nin unha contestación", denuncia. Naveiras lembra que levan meses e meses a pedir nas rúas "que cumpran cos seus compromisos públicos: dique flotante, floteis, gaseiros...", e lembra que son máis de 3.200 empregos destruídos na comarca no naval por culpa, apunta, do Partido Popular. Non quixo naveiras esquecer o alcalde ferrolá, o popular Rey Varela: "´É un demagogo. Fai ver que defende o naval e non é quen de trasladar a nosa situación dentro do seu propio partido". 'Fóra fascistas da Xunta de Galiza' berraban os manifestantes que xa levaban perto dunha hora ante o Parlamento. "A clave é obrigar ao goberno a que cumpra o que nos comprometeu" reflexionaba José, 55 anos, de Fene, baixo a faixa de 'Remata a paciencia' que engadiu: 'Ti, periodista, sabes que tes que poñer de todo isto? Que arde o naval de Ferrol en Compostela!'. Teu dito, meu feito. |
NOS_8922 | O Consello Nacional do Bloque aprobará este sábado o programa eleitoral da formación soberanista galega. Entre as propostas, unha xa foi avanzada esta sexta feira por Ana Pontón: a criación dunha rede de embaixadas comerciais do país para "a internacionalización das empresas galegas". | Pontón -que atendeu aos meios durante a visita que realizou en Pontecaldelas á distribuidora de libros Arnoia- argumenta que as empresas galegas que resistiron mellor os embates da crise foron aquelas que "apostaron na súa internacionalización", daí que o BNG considere estratéxico o envolvimento da Xunta da Galiza no impulso da actividade das compañías do país no exterior. O BNG xulga que para servir a este propósito é "fundamental ter as competencias que neste momento detenta o Estado en materia de comercio exterior", sen as cais non se pode deseñar con xeito "unha estratexia galega [de internacionalización das empresas] que responda ás necesidades que hai neste momento no país", razoou a candidata nacionalista galega á presidencia da Xunta. "É evidente que non é o mesmo a estratexia comercial que pode ter un viño de Rioxa do que a estratexia comercial que poida ter un viño albariño das Rías Baixas ou un viño do Ribeiro", declarou a portavoz nacional do BNG, que durante a visita á distribuidora de libros Arnoia estivo acompañada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o número 1 da candidatura nacionalista por esta circunscrición, Luís Bará. BNG demanda a transferencia das competencias en materia de comercio exterior No deseño dunha política de internacionalización das empresas galegas para o BNG é unha "prioridade" reforzar os "vínculos que temos coa lusofonía", onde, argumentou Pontón, "temos a oportunidade de abrir novos mercados através da lingua". Aliás, un goberno nacionalista na Galiza tamén pularía por "estar noutros mercados moi importantes, como poden ser China ou como pode ser o Xapón, onde xa temos unha certa introdución, mais pensamos que absolutamente insuficiente". Rachar o "modelo da dependencia" A candidata do BNG á presidencia da Xunta apresentou a opción nacionalista nestas eleccións como a "candidatura que confía no país". "Sabemos que Galiza pode saír adiante se temos ferramentas para deseñar estratexias propias con vistas a desenvolver as nosas potencialidades", dixo, e enfatizou: "Sen tutelas e sen subordinación ao país vaille ir moito mellor". A saída do "pozo" na que "estamos metidos" como país pasaría, en opinión da líder do BNG, por deixar atrás as políticas do PP, mais tamén por rachar co "modelo de dependencia", un modelo en que, dixo, "nós non temos nada a dicer cando nos están arrasando o país". "Queremos auto-responsabilizarnos do futuro", concluíu. |
PRAZA_8686 | O secretario xeral dos socialistas asegura que o 21 de xullo o Comité Federal lle dará o visto e prace á renovación do liderado do partido en Galicia a través da votación da militancia e o Comité Nacional apóiao co 62% dos votos a favor e un 33% de abstencións. | "Na vida do socialismo galego 60 días non son moito". Tras un "debate que non foi doado", con "dificultades para sacalo adiante", o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez asegura ter na man a solución para encaixar a renovación da secretaría xeral do partido a través de primarias nas normas internas do PSOE e facelo antes que que a conferencia política federal modifique os estatutos do partido. Despois de que o pasado 2 de marzo o Comité Nacional galego acordase celebrar a consulta á militancia o 1 de xuño e celebrar o Congreso Nacional o 6 de xullo Vázquez propuxo adiar o proceso a setembro e o propio Comité aprobouno polo 62,4% dos votos e un 33% de abstencións -131 votos a favor, 8 en contra e 71 abstencións-. Se a consulta se celebra o 7 de setembro e o congreso o 29 do mesmo mes xa non haberá oposición ningunha do equipo de Rubalcaba, afirma. Por que o que agora non é posible si o será en setembro? Ante os arredor de 300 membros do Comité Nacional, reunido este venres en Compostela, Vázquez explicou que tras moitas horas de negociacións a Executiva federal "comparte totalmente a vontade de favorecer a máxima participación dos militantes". No mesmo documento no que expresa esa opinión "nos piden que traslademos ao comité federal a ratificación" do xeito en que se elixirá o novo secretario ou secretaria xeral de Galicia. "Toda vez que o Comité Federal se vai propoñer para o 21 de xullo, nos piden que celebremos a nosa consulta e o noso congreso en datas posteriores ao 21 de xullo". Vázquez está "completamente convencido" de que o acordo será aprobado no Comité Federal Pero, hai garantías de que o comité federal lle dará o seu visto e parece a este sistema? "Estamos de acordo practicamente en todo; no modelo, no regulamento, na formulación, pero no spide que o pasemos polo comité federal para termos maiores garantías", explica antes de amosarse "completamente convencido de que este acordo, que conta co beneplácito da Executiva federal galega, vai saír adiante" porque, entre outras cousas, ten o apoio "das federacións máis grandes de toda España", a saber: "Andalucía, Catalunya, Valencia, Madrid, Navarra, tamén consideran que este é o camiño que temos que percorrer todos xuntos". "Hai que recoñecelo, perderemos xullo e agosto pero o 7 de setembro saberemos quen vai ser o novo secretario xeral", sinala Vázquez, para quen o adimaento é "unha peaxe que paga a pena pagar", porque implica abrir as portas da "participación" e da "transparencia" á militancia "non só de Galicia, senón de toda España". "Imos ser os primeiros, conseguimos convencer a xente que non cría nisto" e "o primeiro secretario xeral en máis de 130 anos de socialismo que acade o seu posto polos votos de cada militante será o próximo secretario ou secretaria xeral do PSdeG", proclama. "Isto non é para min, é para a militancia", subliñou, xa a porta pechada. Veto no congreso a quen non se presente á consulta O regulamento estipula que os precandidatos terán que renunciar se non son a persoa máis votada pola militancia Na proposta do regulamento para rexer a consulta o líder dos socialistas procura blindar a elección da persoa que sexa designada na consulta, de xeito que as persoas que non concorran á consulta non poidan optar á secretaría xeral só no Congreso. Para isto, ese borrador de regulamento estipula que para ser "precandidato ou precandidata" cómpre "presentarse á consulta interna" e "comprometerse a renunciar a ser candidato ou candidata no caso de non ser o precandidato ou precandidata máis votado pola militancia". Nese mesmo documento a dirección socialista sinala que para optar á votación da militancia as persoas aspirantes á secretaría xeral terán que obter previamente o aval do 10% da militancia -unhas 1.000 persoas-. Se o conseguen, poderán desenvolver unha caste de campaña electoral interna entre o 28 de agosto e o 6 de setembro, denominada "actividade de información interna". Esa "actividade" non poderá implicar a realización de "campañas de imaxe ou publicidade pagadas ou sometidas a algún tipo de contraprestación" nin tampouco "manifestacións que supoñan descualificacións ou menoscabo cara ás outras candidaturas, cargos públicos socialistas ou responsables orgánicos". Se isto se produce, poderíase chegar a producir "a inhabilitación como precandidato ou precandidata". |
NOS_38913 | O TSXG admitiu a trámite unha denuncia contra a Consellaría de Cultura pola contratación externa do servizo de arqueoloxía a unha filial de Tragsa desde 2018. O sindicato denunciante, a CIG, defende que o traballo debería realizalo o persoal funcionario para garantir a independencia. | A externalización de servizos por parte da Administración galega no ámbito de Patrimonio chegou aos tribunais. Profesionais do sector da arqueoloxía denunciaron en varias ocasións a contratación de persoal á empresa pública estatal con sede en Madrid, Tragsatec, filial de Tragsa, para a elaboración dos informes sobre o impacto das obras que afectan a bens do patrimonio cultural. Agora a CIG vén de presentar un recurso na sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), que foi admitida, contra a Consellaría de Cultura por realizar reiteradas encomendas de xestión que ascenden a 1.685.904 euros desde 2018. "O asunto radica, como noutros departamentos da Administración galega, en que no canto de crear novas prazas de funcionariado o que se fai aquí é encomendarlle a Tragsatec o traballo que este persoal debería asumir", explica a Nós Diario o arqueólogo Julián Bustelo, "neste punto chama a atención que o traballo, que debería desenvolver unha persoa logo de superar un proceso selectivo determinado, remate desta maneira nunha persoa que é contratada por unha determinada compañía de maneira discrecional", engade. Sistema opaco de contratación de servizos "Aínda dando por boa esa externalización para non convocar novas prazas, o que fai a Administración con esas encomendas a Tragsatec é librarse dos procesos de licitación que doutro modo debería levar a cabo", opina Bustelo. Toño Fernández, da CIG-Administración, coincide en sinalar que "a Xunta fai unha pequena trampa e no canto de contratar unha empresa privada faino cunha semipública onde se perde todo tipo de control sobre a contratación". Con este sistema, ademais, non existe moita información que explique os gastos que se facturan. Desde a central sindical nacionalista falan de "arbitrariedade" nas cifras que figuran nestes contratos. "Unha encomenda de seis meses que en 2018 custou 261.000 euros, en 2019 fíxose por 159.000 euros, en 2020 custou no primeiro 395.000 euros e no segundo 308.000 euros e en 2021 valerá 409.000 euros", sinala a Nós Diario. Tamén denuncian que se descoñece por completo o número de persoal contratado ou o número de informes que se realizan. A propia Tragsatec, segundo Fernández, "pode ser unha empresa de servizos pública mais non conta con persoal nin moito menos o específico necesario polo que para contratar faino por páxinas web ou amiguismo". Da mesma maneira, desde a CIG apuntan que os informes "están feitos á carta, non deixa de ser unha empresa con ánimo de lucro con directivos que cobran un soldo que descoñecemos". Listaxes públicas Pola contra, as listaxes de persoas inscritas para cubrir as prazas vacantes, após pagar as correspondentes taxas para acceder, levan anos sen moverse. Desde a CIG informan que unha praza de arqueóloga ou arqueólogo creada na modificación da relación de postos de traballo de setembro de 2017 estivo sen cubrir até finais do ano 2020 e outras dúas máis xunto con tres de arquitecta ou arquitecto, creadas na modificación da relación de postos de traballo de decembro de 2019, estiveron vacantes e sen cubrir en todo o 2020 e aínda a día de hoxe non parece haber previsión para cubrir estas segundas. Perigo para o propio patrimonio Desde a CIG van máis alá da denuncia sindical pola situación laboral nese departamento e cren que podería estar en perigo o propio patrimonio. "Os informes levan a sinatura da directora xeral para darlle validez e con eles decídese se se pode construír no Camiño de Santiago, mudar un tellado, traballo que depende de Patrimonio". Para contar coa validez legal, os informes pasan pola Dirección Xeral, cunha sinatura oficial, mais segundo este sindicato, non se realiza ningunha comprobación. "Tememos que se non hai control funcionarial ningún o que prima é a cuestión económica", sinala este sindicalista. Opina que sacar o traballo técnico da esfera directa da Administración ten o risco de que o rendemento económico obrigue a facer "un copia e pega". Por este motivo, alerta do incremento de casos en que periga o patrimonio. "Desde destrucións de mámoas até construír enriba dunha muralla medieval por non contar cunha análise exhaustiva e ás veces nin mesmo cunha visita ao lugar", expón. Mesmo non desbota casos non que puido existir "unha presión da construtora sobre Tragsatec, que non pasaría cun funcionario por ser independente". Reducir gastos de persoal funcionario Os orzamentos da Xunta destinados á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pasaron de 16.537.161 euros no ano 2020 até 16.710.349 euros en 2021, un incremento que se situaría en 1,04%. En relación aos gastos de persoal descende algo máis de 1,2 millóns de euros menos que no ano 2020 (-14,07%). Segundo os arqueólogos Julián Bustelo e Victor Barbeito, a operación realizada pola Xunta da Galiza coa externalización de servizos podería permitir paliar o déficit estrutural de persoal técnico que arrastra a Administración galega sen crear novas prazas de persoal. As prazas máis recentes que se crearon neste departamento público proceden da última reforma de 2019. Segundo fontes sindicais, consistiron en dous postos de arqueoloxía que non conseguiron reducir a demanda e o atraso na elaboración de informes que se solicitan. |
NOS_32363 | A activista pola lingua Ana Iglesias cose bonecos con palabras galegas que están en desuso, desaparecidas, descoñecidas, agochadas...os 'palabruxos'. "A maneira de que a riqueza da nosa lingua non se perda é transmitírllela ás crianzas. Quero facerlles chegar todas estas palabras a través dos seus bonecos" | Namentres xantaba tortilla canda unhas amizades, Ana de Vilatuxe soubo que non era ela a única persoa empeñada en que a riqueza do galego non ficase ciscada entre a xeración das nosas avoas e a das nosas nais. Palabras que elas empregaron toda a vida e que nós xa non atopamos no dicionario puxérona a coser bonecos que as levan por nome, explicando a procedencia e o significado que alí se lle dá. Unhas mostras: o moucho 'Alburuxe' que xa descansa no sofá da poeta Luz Fandiño; o pingüín 'Carroucho' co que xoga o seu fillo Brais; ou 'Deligras', unha ourizo cacho que axiña ha choutar pola casa do escritor Séchu Sende. "A compañeira de Séchu [Sende] contoume que de onde ela é, en Cerdido, non se di 'cóxegas' senón deligras', que xa a incorporei e foi a primeira palabruxa" Como lle deu por se poñer a recuperar o idioma dunha maneira tan peculiar? Foi nun xantar cunha parella amiga. Descubrimos que todos usabamos o dicionario Estraviz e que anotabamos palabras das que coñeciamos o significado mais cuxo uso se estaba a perder. Nunha cafetaría, se xa custa que non traduzan o café con leite, o de 'leite morno' en poucos sitios o entenden malia ser unha palabra relativamente común. De onde foi tirando esas palabras? [ri] Igual que hai xente que le a Biblia eu leo o Estraviz. Buscas por unha palabra e fíxaste nas que van diante ou despois... e apareceu alburuxe'. Pensei "que bonita... e ninguén a usa". Outras palabras que anoto son aquelas que sabemos que se usan en determinadas zonas, por coñecemento familiar ou de amizades, mais que xa non veñen nin no dicionario. Con todo, aquí atópome co problema de que moitas veces non se coñece o verdadeiro significado. Por exemplo, miña nai emprega moito 'volpoiro': "o volpoiro da túa filla comeu non sei cantas filloas". E ao lle preguntar exactamente a que se refire non mo sabe explicar porque para ela é obvio, leva toda a vida a usala. "Coñezo o caso dunha parella que colocaba post-it pola cociña cos nomes dos utensilios para non esquecer que 'tenedor' en galego é unha alga e que o que empregamos para comer se chama 'garfo'. E non sabe tampouco como a escribir... Claro! Neste caso non sei se con 'b' ou con 'v'. A onde recorres? Ao Estraviz. Procuras as variantes, mais non atopas nada. Son esas palabras que quedan desprazadas moitas veces porque xa se foron perdendo. Tamén apunto todo o que aportan as amizades. Rocío, a compañeira de Séchu [Sende] contoume que de onde ela é, en Cerdido, non se di 'cóxegas' senón 'deligras', que xa a incorporei e foi a primeira palabruxa. Até entón eran todos masculinos [ri] Tamén hai palabras que atopei na rúa, como 'remelar'. Ouvinlla a un señor e pareceume preciosa. A idea naceu dese medo a perder a nosa lingua, combinado coa miña afición pola costura e o ganchillo [sorrí] Porque despois cose vostede propia un boneco para cada palabra. Si. Até agora fíxeno soa e agora teño unha amiga costureira profesional que me bota unha man. Coido que a maneira de que a riqueza da nosa lingua non se perda é transmitírllela ás crianzas. Quero facerlles chegar todas estas palabras a través dos seus bonecos. Igual que hai un que se chama Nenuco e outros nomes comerciais, por que non vai haber un que se chame Alburuxe? Ou Carroucho? Ou Deligras? Nos bonecos que fixen até o de agora, todos para agasallar, a palabra vai bordada. Porén, quixera incorporarlles unha etiqueta como as das prendas de vestir, que explicase de onde vén ese nome, en que zona do País se emprega, que significado lle dan nese lugar e todas as demais acepcións que poida ter. Se se perden as palabras vaise perdendo o idioma. "A maneira de que a riqueza da nosa lingua non se perda é transmitírllela ás crianzas. Quero facerlles chegar todas estas palabras a través dos seus bonecos" Procura as palabras no Estraviz, un dicionario de galego-portugués. Está detrás tamén esa reivindicación desa identidade internacional que ten a nosa lingua? Si. É unha lingua única. Malia que non emprego a forma reintegrada, si considero que o galego normativizado non é máis que unha forma castelanizada do noso idioma. E o nome da súa filla? É un palabruxo? [ri] Chámase Arentía, que é un topónimo dunha aldea de Boimorto. Aínda así, a xente tómao como "un nome deses modernos". O proxecto ten algo a ver co seu emprego ou é activismo puro e duro? Non, non! Eu traballo de decoradora nunha tenda de cortinas. Nin son filóloga, nin son estudosa da lingua. Só unha galega que non quere que os seus fillos perdan o idioma. Maneiras para o facer hai moitas, o que cómpre é interese. Coñezo o caso dunha parella que colocaba post-it pola cociña cos nomes dos utensilios para non esquecer que 'tenedor' en galego é unha alga e que o que empregamos para comer se chama 'garfo'. Se tantas persoas do común temos na casa unha listaxe de palabras que non queremos que se perdan, de seguro que hai moita máis xente que o fai. Como podemos achegarlle propostas? A través de palabruxos.com. Entrevista publicada no Sermos Galiza nº41 |
NOS_32892 | A asociación Petón do Lobo ve indicios de "fragmentación artificiosa" do proxecto, dividido en tres parques máis o que xa está operativo. | Segundo puido saber Nós Diario nesta segunda feira, a asociación Petón do Lobo vén de remitir un escrito á Fiscalía para a apertura de dilixencias penais de investigación polo caso do complexo eólico Nesa Monte Arca, no concello da Estrada. Trátase de tres parques proxectados nun radio de dous quilómetros que suporían na práctica un único "macroparque", sumados ao de Taiga Tres (impulsado por Gamesa), xa en funcionamento. "Queremos que se estude se hai indicios de 'fragmentación artificiosa' para facilitar a tramitación dos proxectos, xa que deste modo non se estaría a valorar o impacto ambiental real sobre a contorna", expón, en declaracións a este xornal, a secretaria do colectivo Ana Varela. Neste senso, salienta as conexións existentes entre as catro empresas promotoras dos parques e a subestación transformadora de enerxía: Vento Continuo Galego SL, Nesa Vento Galego 1 SL, Nesa Vento Galego 2 SL e Nesa Vento Galego 3 SL, todas con domicilio social en Alcobendas (Madrid) e con cargos directivos comúns. Posíbel delito na tramitación dos proxectos Aliás, Petón do Lobo pide á Fiscalía que investigue se "os empregados públicos que informan e/ou as autoridades que autorizan os proxectos (a Xunta da Galiza) puidesen ter incorrido nun delito", por autorizaren o proxecto fraccionado para facilitar os trámites. En concreto, refírese á posíbel comisión de "prevaricación, omisión do deber de perseguir delitos, tráfico de influencias, malversación ou fraude", entre outros. "A actividade de produción de enerxía eléctrica non pode ser allea a cuestións ambientais, de forma tal que a auga dos nosos ríos, a forza do vento ou a calor proveniente do sol son fontes limpas e inesgotábeis de produción de electricidade, e por iso son fomentadas polos estamentos públicos", reza o escrito dirixido á Fiscalía. |
NOS_42350 | Alberto Vázquez vén de triunfar no mellor festival do mundo de animación, o de Annecy, coa súa curta 'Decorado' que acadou o Prix Festivals Connexion, onde tamén presentou a súa primeira longametraxe ('Psiconautas') que poderemos ver nos cinemas a finais de ano. | - 'Decorado' estreouse en Cannes e levou premio en Annecy. Que significa este premio nun festival tan importante para esta curta?- Son dúas cousas diferenciadas. Estreouse en Cannes, un festival de cine de autor, e para nós é moi importante que o noso filme o consideren tamén así, porque é o que nós intentamos. Nós facemos animación, pero utilizamos a animación como unha linguaxe para poder contar outras cousas. E logo tamén está moi ben que en Annecy, que é o festival máis importante do mundo da animación, estea en competición e leve un premio, porque quere dicir que dentro da animación tamén é valorado o noso proxecto. Non se pode pedir moito máis que que os teus dous primeiros festivais sexan Cannes e Annecy. - Cal é a historia detrás de 'Decorado'?- É unha fábula existencialista sobre o sentido da vida e da familia, das amizades e do mundo que nos rodea. É unha historia que está fragmentada en 18 escenas e ten un sistema narrativo particular e xoga un pouco coa parodia dos contos e das fábulas, o que pasa é que é unha especie de anticonto ou máis ben de antifábula. - Por que dis que é un anticonto?- Porque xoga con elementos propios dos contos, como poden ser os animais antropomorfos, porque os personaxes compórtanse dun xeito que, lonxe de ser os protagonistas planos ou alegres que intentan solucionar a súa vida, teñen conflitos moi humanos porque ao final, como todos os contos teñen unha moralexa, este ten unha antimoralexa. O personaxe que intenta fuxir do mundo que o rodea ao final acepta a súa situación e non hai unha solución. 'Psiconautas' é unha obra coral, chea de fantasía, pero con moita crítica social, ambientada nunha illa imaxinaria que eu relaciono completamente con Galiza. - Canto poderemos ver esta curta nun festival galego?- Vaise estrear en Curtocircuíto. - Paralelamente tamén estades a presentar en varios festivais 'Psiconautas', a túa primeira longametraxe. - Coinciden no tempo e no espazo os dous proxectos. En realidade rematamos antes 'Psiconautas', pero sempre a distribución dunha longa sempre é máis complexa que unha curta. Entón, rematamos a película, estreamos en San Sebastián e houbo aí un baleiro duns meses no que eu rematei 'Decorado'. Tamén estivo en competición o filme e tamén está en festivais moi interesantes, porque estreouse en San Sebastián, gañou un premio á mellor película no festival de Stuttgart, que despois do de Annecy é o máis importante de animación do mundo. Tivo recoñecementos moi importantes, é unha historia que está baseada nun cómic que fixen hai 10 anos e que codirixín cun director vasco, Pedro Rivero. É un proxecto moi ambicioso que se fixo aquí na Coruña, con debuxantes e animadores galegos. Foi moi interesante e moi duro facelo, un filme de animación son palabras maiores. - Iso é un paso adiante na túa carreira pola dificultade de produción. Canto tempo vos levou?- É un filme de baixo presuposto, os tempos son moi axustados. Eu traballei no filme case tres anos, pero ao final a produción foi tan só de un, cun equipo moi pequeno e moi controlado, que ten algunhas cousas malas, pero por outra, ao facerse todo aquí na Coruña, todo con persoas da miña confianza, puidemos controlar moi ben todos os procesos. Ao final é un filme pequeno, pero moi honesto e moi controlado. - E a historia?- É unha historia intimista e social ambientada nun mundo de fantasía. Os protagonistas son animais, un grupo de adolescentes que queren fuxir dunha illa na que viven, que sufriu un accidente industrial. Hai varios protagonistas e cada un ten os seus problemas. É unha obra coral, chea de fantasía, pero con moita crítica social, ambientada nunha illa imaxinaria que eu relaciono completamente con Galiza. Digamos que é todo unha metáfora do mundo. Combínanse temas moi humanos, como a contaminación, as drogas, a falta de traballo, con outros temas fantásticos, como demos, ou un bestiario moi particular, obxectos que falan... É un filme bastante particular, é como unha gran fábula. É un proxecto moi ambicioso que se fixo aquí na Coruña, con debuxantes e animadores galegos. - Esta poderemos vela nos circuítos comerciais, non?- Si, aparte de festivais, a súa estrea está programada para este ano, eu penso que sobre finais de ano debería estrearse comercialmente. - Está baseada nunha anterior novela gráfica túa. Como se fai a adaptación?- Houbo que ampliar a historia, porque se colles o cómic tal e como é daría para 35 minutos. Tivemos que multiplicar a historia por dous, facer máis tramas, máis subtramas, máis personaxes, ampliar as temáticas, houbo que facer unha traslación da linguaxe do cómic a filme, porque a xente pensa que son cousas parecidas pero realmente son moi diferentes. - Ti es ilustrador, debuxante de cómic e director de animación. Onde te sintes máis cómodo?- Para min o debuxo é unha linguaxe moi poderosa, que é moito máis que aprender un idioma ou dous. Eu considérome debuxante e aplico o meu debuxo a contar historias. Antes comecei facendo cómics, porque é un medio moi sinxelo, moi directo e económico e o fas ti só. Logo para ser profesional do debuxo fun tirando tamén de ilustración, estiven moitos anos na prensa, en revistas, facendo libros para adultos, para nenos. E logo chegoume a oportunidade da animación, que é unha forma moi diferente de contar historias, moi diferente porque tes que traballar con xente, manexar orzamentos, produtoras, pero ao final é o mesmo: contar historias mediante debuxo. Traballo só, na miña casa, coas miñas ideas. E o que teño moi claro é que me gustan as visións persoais dos traballos. Eu quero ser, digamos entre aspas, autor das miñas historias, dos meus traballos e das miñas ideas. Non é doado pero por agora vivo diso desde hai moitos anos. - Como ves o teu futuro? Máis tirando cara o audiovisual ou mantendo estas tres patas en equilibrio?- Ese equilibrio está ben, porque se che falla unha quédanche as outras. Pero agora mesmo estou moi metido na animación e estes dous traballos e os anteriores déronme bastante visibilidade a nivel internacional e agora estou preparando outra longa, pero aínda estou na primeira fase, e levará tres anos facelo. Pero aí estou, eu agora mesmo véxome máis como director de animación, pero sigo facendo traballos de libros, ilustracións para prensa cando me chaman e algunha vez volverei facer un cómic, pero agora estou moi ocupado con iso. - De que vai o novo proxecto?- Chámase 'Unicorn Wars' e é unha especie de fantasía bélica, dun exército de osiños que sae a cazar unicornios porque están en guerra. É unha especie de parodia do xénero bélico para falar de temas actuais na nosa sociedade, como a relixión, a guerra, o poder. Ten un punto cómico, pero mestura unha especie de crítica relixiosa bastante grande. É un proxecto bastante peculiar, agardemos que saia adiante. Tampouco descarto facer algunha curtametraxe entre medio, se teño tempo, forzas, enerxías e diñeiro. Porque as curtas encántame facelas, ten un percorrido por festivais marabilloso, viaxes moito, coñeces moita xente e propostas artísticas moi diferentes. Nos filmes é máis difícil porque hai intereses comerciais de por medio, entón intentarei facer as dúas cousas se for posible. PSICONAUTAS, THE FORGOTTEN CHILDREN_TRAILER_ENG SUB from Basque Films on Vimeo. |
NOS_7244 | Galardoan este ano a profesora Helena González e o catedrático Luís García Montero. | O Consello da Cultura Galega (CCG) entregará as súas medallas de honra o vindeiro 25 de febreiro. O acto terá lugar no paraninfo da Universidade de Santiago e será retransmitido en directo a través de Internet. O plenario do CCG acordara na sesión celebrada o pasado mes de outubro recoñecer coa súa máxima distinción o apoio de Helena González e de Luis García Montero na promoción da lingua e cultura galega no exterior. A Medalla do CCG é un galardón recente. Foi creado en 2018 para recoñecer a relevancia e significación de persoas físicas que sobresaen de maneira especial nos servizos prestados ao Consello da Cultura Galega, en particular, ou á cultura galega en xeral. Os anteriores homenaxeados recibírono en 2018, e foron Pablo Figueroa Dorrego, Ana Paula Laborinho e, a título póstumo, Francisco Lores Mascato. Helena González, de Vigo a Barcelona Helena González Fernández (Comesaña-Vigo, 1967) é profesora titular da Universidade de Barcelona (UB), onde é docente de literatura galega e directora do ADHUC-Centro de Investigación en Teoría, Xénero e Sexualidade. Desde 2017 é académica correspondente da Real Academia Galega. As súas actividades de investigación e promoción cultural céntranse na crítica literaria feminista, a cultura popular, a literatura galega contemporánea e mais as relacións culturais entre a Galiza e Catalunya. Formou parte do consello editorial da colección de Ablativo Absoluto de Edicións Xerais, do consello de redacción do Anuario Grial de Estudos Literarios Galegos, foi codirectora de Lectora. Revista de Dones i Textualitat, colaborou no Diario Cultural da Radio Galega e fixo crítica de poesía en diversas revistas. Luis García Montero, do Cervantes a Rosalía Un perfil ben diferente é o do outro galardoado, Luis García Montero (Granada, 1958). Catedrático de Literatura Española na Universidade de Granada, é poeta, ensaísta e crítico literario. Desde o 2018 dirixe o Instituto Cervantes, desde onde desenvolve un programa na defensa da diversidade lingüística e cultural do Estado español. Segundo apuntan desde o CCG, é un bo coñecedor da figura da poeta Rosalía de Castro. |
NOS_45044 | A práctica totalidade das corporacións empresariais presentes no IBEX operan desde paraísos ou nichos fiscais para eludir o pago de impostos á facenda do Estado. A ausencia dunha lexislación axeitada e a falla da vontade política precisa favorecen a extensión e xeneralización destas operacións. Inditex non é unha excepción no panorama actual. | A s dúbidas sobre os criterios de tributación do grupo Inditex non son novas. Á volta de decembro de 2016, o grupo Alianza Libre Europea/Os Verdes (ALE/Os Verdes), onde está integrado o BNG, denunciou no Parlamento europeo que a multinacional con sede en Arteixo aforrou, entre 2011 e 2014, 585 millóns en impostos corporativos, mediante o traslado de parte das súas filiais a Estados onde a presión fiscal era máis baixa. Unhas semanas máis tarde, concretamente en xaneiro de 2017, Inditex rebatía estes números mais confirmaba que a súa estrutura de sociedades, con presenza en paraísos fiscais, tíñalle evitado pagar impostos, no período sinalado, por aproximadamente 200 millóns. O informe elaborado en 2016 polo grupo parlamentario de ALE/Os Verdes, baixo o título de Compra de impostos: explorando o negocio de Zara para eludir impostos, indica que a operativa mercantil permite ao grupo Inditex eludir nos exercicios contábeis de 2011 a 2014 o pago de 218 millóns no Estado español, 76 millóns en Francia, 57 millóns en Italia, 25 millóns en Alemaña, 22 millóns no Reino Unido, 20 millóns en Grecia, 18 millóns en Bélxica e 6 millóns en Austria. Segundo o grupo ALE/Os Verdes, "aquelas filiais da compañía cos beneficios máis altos, entre 20% e 70% sitúanse en países coñecidos por ter unha lexislación fiscal moi laxa, neste caso Países Baixos, Irlanda e Suíza". "Semella claro que países como Holanda, Irlanda e Suíza ofrecen beneficios fiscais concretos ao grupo Inditex que outros non ofertan", destaca o estudo, para referirse á diferenza entre os beneficios xerados polas empresas do grupo dedicadas á venda ao por menor e as centradas en actividades financeiras ou xestión de marca. Mentres as primeiras declaran marxes situadas entre 20% e 70%, as segundas non superan un beneficio medio de 5%. "As compañías como Inditex", conclúe, "estrutúranse de forma que poidan sacar partido dos tipos impositivos baixos e da falla dun réxime fiscal común na Unión Europea". A exposición do grupo Inditex aos territorios considerados como paraísos ou nichos fiscais é moi importante. Conforme aos datos ofrecidos para 2015 polo Observatorio da Responsabilidade Social Corporativa, no seu informe A información fiscal nas memorias anuais das empresas do IBEX-35, a multinacional con sede en Arteixo conta con nove sociedades con enderezos en países ou lugares cualificados como paraísos fiscais e 65 en nichos fiscais. Atendendo aos criterios empregados polo Parlamento Europeo para fixar a listaxe de nichos fiscais, a presenza da corporación en territorios offshore dispárase, ao estar presente en Delaware (EUA), Holanda, Irlanda, Suíza, Hong Kong, Luxemburgo, Montenegro, Porto Rico, Macedonia, Macau ou Taiwán. As filiais de Inditex nos paraísos fiscais O Observatorio da Responsabilidade Social Corporativa afirma, en relación coa rede da corporación Inditex, que "entre as 74 sociedades situadas en paraísos ou nichos fiscais considérase que un grupo de 26 empresas ofrecen dúbidas en canto a que a súa actividade teña a ver coa operativa do propio negocio, posto que tanto a declaración da actividade non operativa como a súa localización xeran interrogantes sobre a súa utilización dentro dunha estratexia fiscal planificada e non son susceptíbeis de resolverse ao non achegar a empresa maior información". Malia isto, Inditex declara como principio da súa estratexia fiscal "a renuncia ao emprego de estruturas mercantís opacas que interpoñan sociedades instrumentais en paraísos fiscais". A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube. |
NOS_38630 | Na mañá do domingo, Carballedo, concello da comarca de Chantada, homenaxeou Francisco Domínguez da man da Asociación Cultural O Garabullo, que organizou unha mesa redonda que contou coa intervención, entre outros, de Anxo González Guerra, Xosé Ramón Ermida e Uxío-Breogán Diéguez. | Unha exposición e unha palestra forman parte da homenaxe da Asociación Cultural O Garabullo ao filántropo nacionalista Francisco Domínguez. Na mesa redonda, na que tomaron a palabra na mañá do domingo o investigador Xosé Ramón Ermida e o historiador Uxío-Breogán Diéguez, entre outros, salientouse a figura do membro do Partido Galeguista e promotor de diversas experiencias educativas. Coñecido como "Pancho da Barrela" durante o período republicano, Domínguez foi tamén lembrado polo seu único neto, Frank Domínguez, profesor de Lingua e literatura españolas na Universidade de Carolina do Norte; pola presidenta da asociación, Hita Gómez quen, en declaracións a Nós Diario, recoñeceu que a presenza do filántropo na memoria veciñal está "difusa", e polo profesor Anxo González Guerra. "Parte da súa actividade é descoñecida pola gran maioría da veciñanza", de aí a homenaxe que decorreu o domingo pola mañá e que terá continuidade nos próximos anos. Da electrificación da súa aldea ao impulso da escola A historia de Carballedo nas primeiras décadas do século XX vén marcada, en parte, polo homenaxeado, que foi quen financiou a electrificación da súa aldea natal, camiños veciñais e mesmo a escola da Barrela, onde, co seu diñeiro, mantivo o centro e mais a docente. Foi este un centro de ensino situado á vangarda a respecto de experiencias pedagóxicas innovadoras. "Os veciños de Carballedo debiámoslle esta homenaxe a Domínguez" O seu alumnado percorreu a Galiza nunha longa excursión sufragada por Domínguez. Un traxecto do que se fixo eco a prensa da época. O filántropo galeguista foi dirixente da sociedade de emigrantes Chantada, Carballedo e a súa comarca, que tamén construíron escolas en varios puntos da comarca. Unha vez retornado de Cuba, a onde emigrara, á Galiza en 1930, dedicouse, principalmente, á actividade social, cultural e política. De feito, presidiu o Sindicato Agro-Cultural de Carballedo e participou do Seminario de Estudos Galegos. Exiliado en Cuba O papel de Domínguez resultou decisivo na organización do nacionalismo na comarca, primeiro nas estruturas do Partido Galeguista en Carballedo, Taboada e Chantada, e, máis tarde, nas campañas de axitación política, entre elas a do Estatuto de 1936. 'Pancho da Barrela' tivo que exiliarse após o golpe militar que deu paso á represión. Logo dunha travesía en barco co seu fillo Francisco desde Francia aos EUA, puido desembarcar en Cuba en novembro de 1936. Tan só un ano despois, o 3 de outubro de 1937, falecida na Habana con 49 anos. |
NOS_27775 | A federación galega REDE pide a Política Social que especifique cando entrará en vigor o acordo ao que chegaron o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas para limitar -mais tamén para garantir- visitas diarias dunha hora e unha soa persoa en todos centros libres de restricións extraordinarias. | Familiares de usuarias de centros de maiores e da dependencia instan a Consellaría de Política Social a informar canto antes do réxime de visitas que vai operar nas residencias da Galiza nas próximas datas. Desde a federación galega REDE consideran un "mal sinal" que a orde da Xunta na que se recollen as actuacións acordadas polo Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas para atallar a expansión do coronavirus obvie os pactos acadados e remita os centros sociosanitarios a un "texto futuro" no que Política Social determinara as medidas específicas que deberán adoptarse con respecto á realización de probas probas PCR, o réxime de visitas´e de saídas. Caos Aseguran que non poden esperar máis. "De prolongar máis esta situación o único que conseguirán é estender o caos". Segundo explican en declaracións a Nós Diario, a medida acordada polo Goberno estatal e os territorios dunha visita diaria, unha persoa, unha hora "non conta co favor da patronal das residencias, que teñen verdadeiros problemas de falta de persoal". As carencias veñen de lonxe e contan coa conivencia da Xunta, afirman. "Mentres non as obrigue a ter persoal suficiente para garantir a contención da pandemia e un bo control das visitas, imos ter problemas", advirten. DomusVi Coincidinco co anuncio do ministro de Sanidade, Salvador Illa, de limitar mais tamén de garantir unha visita diarias ás persoas residentes, familiares de usuarias das residencias DomusVi denunciaron a decisión unilateral das direccións dos centros de San Lázaro -en Compostela- e O Barreiro -en Vigo- de fecher e a restrinxir as visitas respectivamente. Desde REDE, manteñen que estas medidas violan a normativa vixente xa que non están avaliadas pola Xunta da Galiza e consideran que se trata "dunha nova burla aos dereitos que deberan acompañar as residentes e os seus familiares, continuamente esmagados por unha empresa "que está no punto de mira de todo o Estado polas súas "presuntas neglixencias durante a xestión da pandemia". Desacougo entre as familias A directora de San Lázaro, Gloria García, remitiu un escrito o pasado día 11 no que lles pide ás familias que "apracen as visitas" sine die como medida preventiva, unha medida que lonxe de tranquilizar as familias motivou maior desacougo malia as promesas de "informar con asiduidade" sobre a evolución de posíbeis gromos. No centro do Barreiro, a dirección informou de que as visitas se reducen a "unha semanal por residente" a partir desta segunda feira, 17 de agosto. Limpeza, coidados e visitas REDE denunciou ambas decisións ante o órgano de inspección de Política Social para que "corrixa as actitudes anómalas das direccións de DomusVi" no canto de manter unha "complicidade neglixente". Entende que son medidas desproporcionadas xa que "nin hai casos positivos nestas residencias nin superan a cota epidemiolóxica das súas respectivas poboacións". Mais agora entenden que urxe un paso adiante aínda máis firme por parte da Administración, que atenda os dereitos do colectivo de usuarias, de familiares e de traballadoras que garanta os coidados, a limpeza e as visitas en todos os centros nos que a situación epidemiolóxica o permita. |
NOS_25353 | A Pobra, Ares, Mera e Rianxo completan os primeiros cinco postos da regata que se disputou en augas de Santa Cristina (Oleiros). | Poucos hai que lle podan tusir a Cabo de Cruz en Galiza, un club que a base de esforzo, planificación e canteira ten un sitio fixo na elite do remo, a Liga ACT. Esta terza feira volveu demostrar o por que é unha das traiñeiras galegas máis potentes a conquistar, por décimo ano consecutivo, a bandeira da Deputación da Coruña. Cun tempo de 19 minutos e 17 segundos, os de Cabo superou en tres segundos as traiñeiras da Pobra e Ares, que chegaron segunda e terceira, respectivamente.Os pobrenses amosaron unha vez máis o seu excelente momento, que mantén en dura pugna con Samertolameu de Meira polo triunfo na Liga Galega de Traiñeiras. A cuarta posición foi para Mera, un club diante do cal non queda outra que sacar o chapeu. Volveu á competición hai pouco e xa demostrou o que vale, proclamándose con contundencia campión da categoría B da Liga Galega. En quinto lugar, Rianxo, a traiñeira coa tripulación máis moza de todo o Estado español, menos de 19 anos de media. Este ano, os premios ascenderon a 13.650 euros, que se repartiran entre os dez mellores equipos, con contías que variarán entre os 2.500 euros para os primeiros e 600 para os décimos Clasificación Gañador: Club de Remo de Cabo de Cruz. Tempo: 19´17´´21 2º clasificado: Club Remo Puebla. Tempo: 19´21´´46 3º clasificado: Club do Mar de Ares. Tempo: 19´21´´89 4º clasificado: CD Mariñeiro Mera. 19´50´´17 5º clasificado: Club Remo Rianxo. Tempo: 20´07´´07 6º clasificado: CR Mugardos. Tempo: 20´25´´29 7º clasificado: Club de Remo Muros. Tempo: 20´25´´79 8º clasificado: Club Regatas Perillo. Tempo: Tempo 20´26´´64 9º clasificado : CR Cedeira. Tempo: 20´31´´92 10º clasificado: Esteirana. Tempo 21´50´´77 |
PRAZA_5298 | A Xunta destaca a mellora no indicador de confianza e nas perspectivas económicas das familias galegas, pero obvia os datos que indican que se mantén o número de casas que chegan con dificultades a fin de mes ou que aumentan as que teñen previsto cambiar hábitos para aforrar. | "O indicador de confianza dos fogares galegos mellorou 18 puntos no primeiro trimestre do ano respecto ao mesmo período de 2013, ata situarse no nivel máis elevado dende o terceiro trimestre de 2011". Ese foi o dato máis relevante que a Xunta destacou o pasado venres con motivo da Enquisa Conxuntural de Fogares publicada polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Certo que este indicador, que mide as perspectivas de gasto e aforro e a percepción sobre a súa situación financeira e económica do país, revela unha mellora na visión global da cidadanía. Non obstante, entre as cifras que destaca a Administración non se fai referencia a aquelas que evidencian que, malia a feble recuperación, as consecuencias da crise seguen vixentes. O número de fogares que chega con dificultade a fin de mes é case idéntico ao do trimestre anterior Segundo os datos do IGE, a porcentaxe de fogares que aseguran chegar con dificultade ou moita dificultade a fin de mes é practicamente idéntica neste primeiro trimestre de 2014 ca no trimestre anterior. Na actualidade, o 60,25% das familias recoñece os problemas para acabar o mes, incluso máis que no último trimestre de 2013 (59,65%) e tan só uns tres puntos inferior ao mesmo período de hai un ano (63,9%). Certo, tal e como destaca a Xunta, que as perspectivas dos fogares galegos sobre a súa situación financeira persoal melloran en case 13 puntos respecto ao primeiro trimestre de 2013 ou que tamén melloran as perspectivas sobre a capacidade de aforro das familias galegas –en máis de 8,5 puntos-, sobre a situación económica de Galicia –23 puntos- e sobre a evolución do desemprego, en máis de 27 puntos. Pero son só iso: perspectivas. Se nos fixamos nos fogares que non se permitiron extra ningún nos últimos tres meses, os datos son case idénticos tamén aos de case hai un ano. O 28,4% das familias recoñecía hai doce meses que non se puidera permitir gasto extra ningún, fronte ao 27,9% deste último trimestre. En canto ás casas que tiveron algún atraso no pago dos recibos de obrigado cumprimento, a porcentaxe descendeu do 8,4% de hai un ano ao 4,9% do primeiro trimestre de 2014, unha cifra que, non obstante, é maior que a dos dous trimestre anteriores (4,8% e 3,4% respectivamente). A porcentaxe de familias que tivo algún atraso no pago dos recibos é maior agora que nos últimos seis meses Xa que logo, malia que as perspectivas dos galegos parecen mellor de cara ao futuro, a súa situación pouco cambiou nos últimos meses. De feito, tamén aumentou o número de fogares que teñen previsto cambiar os seus hábitos de compra mercando marcas brancas ou produtos en oferta nos vindeiros tempos, ao pasar do 38,5% ao 48,8% nun ano, ao igual que as familias que prevén diminuír noutros gastos comúns agás a alimentación, que pasou do 44% ao 48,9%. En canto aos fogares que teñen pensado tomar algunha medida para reducir gastos, tan só diminuí o número daqueles que asegura que recoñece que terá que recibir axuda familiar ou que tomará medidas financeiras. |
NOS_30813 | Por vez primeira en catorce anos, Hugo Chávez recibe os resultados electorais fóra do seu pais. Desde a súa estancia en Cuba, onde se recupera dunha nova operación cirúrxica celebraría a indiscutíbl vitoria do seu Partido Socialista Unido de Venezuela que se fixo con 20 das 23 gobernacións do país, gobernando en catro estados máis dos que o facía até estas eleccións. | O Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV) ven de conseguir un indiscutíbel trunfo nas eleccións celebradas o domingo día 16 en Venezua. O partido de Chávez gañou en 20 das 23 gobernacións do país fronte ao partido de Caprile que gañou no estado de Miranda. O partido de Chávez consigue vencer tamén no territorio petroleiro de Zulia, ámbito habitual da dereita, e gobernada até agora polo´líder de Un Nuevo Tempo. O PSUV gaña de igual maneira noutras rexións que até agora non gobernaba como o estado Táchira, fronteira con Colombia, Nova Esparta, do que fai parte a Illa de Margarita, ou Carabobo, no centro do país. Bolívar, Apure, Barinas, Cojedes, Delta Amacuro, Falcón, Guarico, Mérida, Monagas, Portuguesa, Sucre, Trujillo, Vargas, Yaracuy ou Anzoágueti viviron tamén trunfos do PSUV que perde, sen embargo, o estado de Miranda, o que inclúe a capital Caracas que pasa a ser gobernado polo partido do ex candidato presidencial Capriles. Con este trunfo, Capriles reforza a súa posición como posíbel opositor para o partido de Chávez. Lara e Amazonas son os outros dous estados nos que o PSUV non acadou o trunfo. O índice de participación foi dun 53,94 %. O partido de Chávez consegue gobernar en catro estados máis do que o estaba a facer xa que antes das eleccións celebradas onte, presidía 16 dos 23 estados. |
NOS_33139 | O recoñecemento polos EUA de Xerusalén como capital do Estado de Israel supón unha clara vulneración do dereito internacional e podería representar un crime de guerra. O xiro diplomático da Casa Branca finiquita o paralizado proceso de paz e desenmascara o desinterese de Washington por atinxir un acordo xusto e duradeiro. Eis un extracto do publicado no Sermos Galiza 276. | A decisión do presidente dos EUA, Donald Trump, de recoñecer oficialmente Xerusalén como capital do Estado de Israel, volve deixar en evidencia o rol xogado pola potencia imperialista no conflito entre Palestina e Israel. Destarte, é manifesta a complicidade dos EUA co réxime sionista e as súas continuadas conculcacións dos dereitos humanos a través da ocupación ilegal e criminal de territorio palestino, incumprindo deliberadamente as resolucións da ONU e vulnerando sistematicamente o dereito internacional. O anuncio fíxose público o pasado 6 de decembro, apenas tres días antes de se cumprir o trinta aniversario da chamada primeira "intifada" coa que a poboación palestina se revolveu, pedras contra tanques, contra a ocupación e as agresións por parte de Israel. Trátase dunha acción de enorme alcance simbólico, toda vez vai acompañada do traslado efectivo da embaixada dos EUA de Tel Aviv a Xerusalén. Desta maneira, Trump bota definitivamente por terra o atrancado proceso de paz e deixa en papel mollado a solución dos "dous Estados", agravando a farsa internacional dos acordos de Oslo e lexitimando a opresión colonial en contra da poboación palestina. No entanto, o presidente Trump limitouse a executar unha decisión moito anterior da administración norteamericana. En 1995, o Congreso dos EUA xa acordou recoñecer Xerusalén como capital de Israel mandatando o traslado da delegación diplomática norteamericana a ese lugar. As sucesivas presidenciais adiaron a súa efectivización, que o actual ocupante do despacho oval xa se comprometeu a facer realidade o pasado ano 2016. A vontade de Israel de se apropiar totalmente de Al-Quds, denominación coa que os palestinos se refiren á disputada "cidade santa", é parella ao propio nacemento do Estado sionista. Xa en 1949, o primeiro ministro israelí, David Ben Gurion, tencionou a súa formalización como capital. Daquela, o temor a incomodar o aliado norteamericano e enfurecer a comunidade internacional logrou desbotar a opción que se vén de materializar agora. [Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 276, á venda na loxa e nos quiosques habituais] |
NOS_28594 | Denuncian ante a Valedora do Pobo a falta de transparencia da directiva do colectivo veciñal Ventos Milleiro, cuxo presidente é concelleiro na corporación local. | "Non temos acceso ás actas das reunións e estas convócanse sen orde do día nin información previa. Chegas á reunión para votar un contrato por 30 anos e tes que fiarte do que che contan no momento". Estas son algunhas das moitas trabas que atopa a veciñanza de Ourol para coñecer os detalles das negociacións que mantivo o colectivo cidadán Ventos Milleiro coa empresa enerxética Greenalia para a construción dun parque eólico no municipio, que comezou funcionar hai dous meses. Miguel Otero entrou na asociación para tomar parte nunhas negociacións da que dependía o futuro da súa vila. En conversa con Nós Diario, denuncia a falta de transparencia do proceso: "O ano pasado solicitei á directiva en asemblea o acceso ás actas e outra información da asociación para coñecer os detalles das decisións, mais o presidente negou que como socio tivese eu acceso a tal documentación. Posteriormente volvín solicitala pola vía da miña xestoría e negouse de novo", explica. Na última asemblea celebrada volveu lembrar esta "irregularidade" e atopou "unha agresiva resposta e unha morea de intentos de descrédito, ameazas de denuncia e distraccións" por parte da directiva da asociación, que preside José Hermida Corbelle, concelleiro do Partido Popular en Ourol. Cómpre lembrar, neste senso, que a ex conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato (PP) exerce desde o pasado ano como directora de Desenvolvemento Corporativo e Sostibilidade de Greenalia. A asociación Ventos Milleiro constituíuse formalmente en xullo de 2018, mais non hai rastro dela na rede. "Cando entrei non sabía quen era Hermida, mais decateime de que Mato estaba en Greenalia e comecei indagar", sostén. Petición de transparencia ante a Valedora do Pobo Ante a negativa tanto do colectivo veciñal como do propio Goberno local a facer públicas as as negociacións con Greenalia, Otero contactou coa Comisión de Transparencia (dependente da Valedora do Pobo), que instou a compartir esa información. "A entidade fixo caso omiso enviando apenas un par de documentos sen relevancia", di. Na pasada cuarta feira remitiu un novo escrito á Valedora para facer efectivo o seu dereito, "como socio da asociación Ventos Milleiro e cidadán de Ourol", a acceder á citada documentación. A Lei Orgánica do Dereito de Asociación (2002), no seu artigo 14, recolle que "as e os asociados poderán acceder a toda a documentación". No tocante ao Goberno local, a Lei de Transparencia da Galiza (2016) recoñece no artigo 24 que "todas as persoas teñen dereito a accederen á información pública nos termos previstos na normativa básica en materia de transparencia". Miguel Otero lamenta que as negociacións de Ventos Milleiro con Greenalia "semellan limitarse en todo momento á definición de superficies, funcións dos terreos e os seus prezos", deixando á marxe "o impacto ambiental, a contaminación acústica ou o efecto sobre outras áreas económicas da contorna". Así mesmo, denuncia que os contratos asinados "teñen unha cláusula que impide compartir información sobre o acordo, anulando totalmente o concepto de negociación colectiva". Greenalia triplica os beneficios grazas á "febre dos eólicos" A compañía enerxética deu a coñecer onte os resultados económicos de 2020, un ano no que triplicou o seu EBITDA (beneficios antes de intereses, impostos, depreciacións e amortizacións, en inglés), pasando dos 3,3 millóns de 2019 aos 11 do pasado exercicio. A pesar dos efectos adversos da pandemia, Greenalia rematou en 2020 a construción do parque eólico de Ourol e principiou os proxectos de Alto da Croa, Alto da Croa II (ambos os dous en Dumbría) e Monte Tourado (Vimianzo), que se atopan en fase de finalización. Con estas infraestruturas a empresa fecha o Plan Eolo I MOC, para dar paso á segunda parte do programa. De cara a 2023, Greenalia prevé xerar até 290 megawatts a través de dez parques eólicos. Aliás, agarda fechar 2021 cun EBITDA de máis de 20 millóns de euros. |
PRAZA_13820 | O PP europeo gaba a "exitosa carreira política" de Ramón Luis Valcárcel para apoiar a súa elección como máximo dirixente do Comité das Rexións da Unión, órgano do que Feijóo será vicepresidente | Primeiro foi un ruxerruxe. Despois, admitiuno nunha entrevista. Máis tarde negouno e, finalmente, volveuno recoñecer este luns. O presidente de Murcia, Ramón Luis Valcárcel, admitía este luns que o Goberno que preside acudirá ao fondo creado polo Goberno central para subministrarlles liquidez ás autonomías ou, o que é o mesmo, pedirá o rescate do Estado para poder facer fronte aos pagamentos pendentes e farao, admite, malia que as "condicións" impostas por Mariano Rajoy "van ser durísimas". Casualidade ou non, o feito é que a Rexión de Murcia, que centrou boa parte do crecemento económico ao abeiro da burbulla inmobiliaria, é a segunda comunidade en pedir a intervención despois de Valencia, outra das que tamén foi emblema das alegrías e da abundancia do ladrillo. Pero, a diferenza da Comunitat Valenciana, o labor de goberno de Valcárcel transcende os límites da súa autonomía e chega ata Bruxelas, nomeadamente, ata o Comité das Rexións, do que é presidente dende hai poucos días. Alberto Núñez Feijóo foi elixido para ocupar unha das vinte e sete vicepresidencias do Comité das Rexións Nunha sesión na que o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foi designado para ocupar unha das vinte e sete vicepresidencias do organismo -unha por Estado membro-, Valcárcel foi designado por aclamación para encabezar este órgano consultivo do que emanan directrices sobre a política rexional europea, posto que ademais lle outorga unha certa visibilidade política e institucional a nivel de todo o continente. Neste contexto, e apenas cinco días antes de que admitise que Murcia precisa o auxilio estatal, o PPE europeo desfíxose en eloxios cara os dotes de xestor do presidente murciano. A través dos seus máximos dirixentes, Wilfried Martens e Antonio López-Istúriz, o PPE gaba a "exitosa carreira política de Ramón Luis Valcárcel na política rexional española", factor que, xunto á súa "participación activa" no propio Comité dende 1995, din, "o converte nun activo moi valioso para esta institución da UE e para a UE no seu conxunto". Neste sentido, Martens e López-Istúriz eloxian especialmente o labor que, aseguran, desenvolverá o murciano fronte á mesma crise que ten as finanzas do seu Executivo ao bordo da creba. "Nestes tempos difíciles para Europa, os nosos esforzos para resolver a crise deben dirixirse tamén ao nivel rexional, ademais de aos ámbitos nacional e europeo", afirman. Neste sentido, amósanse convencidos de que "as iniciativas políticas a nivel local e rexional contribuirán a devolver a economía europea á senda do crecemento, o emprego e a innovación". "Estamos seguros de que o presidente Valcárcel xogará un papel moi importante neste proceso", salientan. Malia ás loubanzas do PPE foi precisamente en Bruxelas onde Valcárcel se viu forzado a ofrecer as primeiras explicacións sobre o rescate a Murcia. Tras reunirse co presidente da Comisión, José Manuel Durão Barroso, o conservador esforzouse en asegurar que o seu Goberno "o que fai é solicitar fondos de liquidez -uns 300 millóns de euros- que non teñen nada que ver co rescate". "Se eu tivese a necesidade dun rescate solicitaríao visto e non visto" pero, mantén, "non é preciso ter que chegar a ese estremo". Así e todo, o aparente optimismo de Valcárcel contrasta coa realidade, a cal reflicte que Murcia ten que facer fronte a máis de 400 millóns de euros en vencementos no que queda de ano, pagamentos para os que lle será moi complicado atopar financiamento nos mercados, dado que axencias como Moody's ou Standard&Poors consideran os seus títulos de débeda como "bono lixo". |
NOS_51870 | Esta semana achegámonos aos montes veciñais en man común, un elemento diferencial do rural galego que nos identifica e nos diferencia como nación. Unha maneira sustentábel de nos relacionarmos como pobo coa terra mais que corre o risco de desaparecer. | Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidade de Montes é taxativo. "Existe o risco de que 250 mil hectáreas de monte veciñal sexan entregadas de balde a empresas privadas". Así de rotundo se amosa Pereira nunha extensa entrevista que poderás atopar no interior dun caderno de análise que se aproxima a un réxime de tenza da terra propio, útil e sustentábel, mais en perigo. As políticas liberais capitalistas están a ameazar os montes en man común. Até o momento, propiedade das comunidades e único recoñecemento legal das parroquias galegas. Porén, mudanzas lexislativas promovidas polo Partido Popular e as presións exercidas polas grandes empresas están a pór en risco a súa pervivencia. Nun caderno monográfico coordenado por Xan Colazo, comuneiro de Candeán, botamos unha ollada AFondo sobre o futuro da terra común. Unha peculiar forma de tenza da terra que partillamos c@s nos@s veciñ@s portugueses. Os baldíos que atopamos á outra beira do río teñen moito a ver cos montes en man común da Galiza. Da man de António Bica, consultor xurídico da Federação nacional de baldíos, debullamos polo miúdo a historia e o réxime xurídico que arrodea aos montes comunais portugueses, unha propiedade colectiva que coma na Galiza --antes da modificación da lei de montes-- nen é pública nen particular. Sobre os seus aproveitamentos agrarios e importancia ecolóxica fálanos Mar Pérez Fra e Xoán Carlos Morgade que, aliás, salientan a grande contribución dos montes en man común no desenvolvemento das áreas rurais desde unha perspectiva endóxena. |
NOS_11867 | Ken nos Keima, tema en solitario da 'Bolboreta', pon o acento galego no disco Lo peor de la rumba, unha iniciativa do Bar Mariatchi de Barcelona e con Manu Chao entre @s argalleir@s da que fan parte recoñecidas bandas do talle de Che Sudaka ou La Pegatina. Podes escoitar xa Ken nos Keima en Radio Sermos. | O 'pasmón peatón' de Celso Emilio, que collera corpo na voz do García, cambiou de ritmo. Quen escoite a nova formación de Labregos do tempo dos Sputniks (agora Labreg*s) notará a man de Lydia Botana. Profesora, compositora, cantante, instrumentista, é unha apaixonada da música á que nada lle pon medoComo entraches en contacto coas Labreghas? Eu coñecía o Leo do Reperkusión de Allariz, hai catro anos, e pareceume que tiña unha proposta moi intelixente, admirábao e fomos falando. A García coñecíao de Dios ke te Crew, mais non persoalmente. Propuxéronme colaborar con eles, despois da "ruptura" coa miña última banda, cando cadrou que lles marchou o Vero, o batería. E xa lles dixen "eu non son batería!" Eu ser son pianista, toco o acordeón, guitarra e teño feito percusión, mais batería... E dixéronme "Toca o que queiras!" E entendémonos de pingas. Empecei a conseguir módulos de batería, a través de La Pegatina (un grupo catalán), Isha, unha amiga percusionista, e practicar cunha batería "de nen@" que ten o Leo na casa. E como está a ser a experiencia? Sputniks sodes abondo @s tres...Si, non paramos, estamos cadaquén a mil! Mais cadramos moi ben. O García séntese moi cómodo: eu esmérome moito en apoiar a palabra, en que o que transmite rapeando colla máis forza. Tiña medo do Leo, de non ser quen de seguilo, porque vai bastante ao seu aire, mais finalmente entendémonos moi ben. Que lles achegaches? Polo de pronto, o 'pasmón peatón' de Celso Emilio ten outra cadencia, xa non vai tan acelerado como antes.Encantoume ver que cambiaron na súa páxina a formación e as influencias: incluían Mano Negra! Eu tiven a sorte de estar con Manu Chao aí atrás, ensinoume moitísimo. E púxenme coa batería grazas a Garbancito. Achegueille novos estilos ao grupo: metinlles ska e reggae no repertorio, raggamuffin... Dicía o Leo "non entendo por que non metemos esta música antes, se é súper revolucionaria". Fixemos sete temas nada máis entrar, metinme de cheo. Eles tamén me deixan facer ao meu aire, entendémonos moi ben e coidámonos moito. Como está o panorama da música? Segue a ser masculino? O que hai son poucas mulleres instrumentistas... Eu son de Culleredo e pensaba que era cousa de alí, mais está xeneralizado. Estiven en Inglaterra hai pouco e a pregunta que che adoitan facer cando chegas aos sitios é "e ti que es, a cantante?". Foi moi bo contactar con Sés, que é unha muller incríbel, e abriume un pouco os ollos. Tamén con Antonella, dos Russkaja, ou Flor, da Troba Kung Fu. Son moi consciente das dificultades, mais eu paso de todo. Son unha namorada da música. Ti tiveches moita iniciativa, montaches unha chea de bandas aquí e en Italia... A primeira banda monteina para tocar con tías! Aos 17 anos, porque estaba chea de tocar con homes... Cheguei mesmo a aprender a tocar o baixo, porque non era capaz de atopar baixista ningunha na miña zona. Mais a verdade, non notei diferenzas, tocando con homes ou mulleres sempre me trataron como unha máis. E botando a vista atrás, que salientas da túa traxectoria?Tento aprender de todo, do malo e do bo. As bandas son como relacións, vives con elas, pásalo ben, pásalo mal... Nalgunhas traguei bastante até que rebentei. Mais a verdade é que desde que me desvinculei totalmente da última banda, hai cinco meses, convidáronme á Universidade de Paul MacCartney, cantei en The Cavern en Liverpool, coñecín e toquei con Manu Chao, agora chegan as Labreg*s... Coa música nunca se sabe, as cousas van saíndo. Eu sobre todo tento ser fiel a min propia e non me importa o que dirán. E teño que agradecerlle á miña familia o seu apoio, xunto co(a)s amig@s de Fonte e as boas persoas e músic@s que verdadeiramente o son pola súa humildade e corazóns. É que es ben completa!. Tocaches na rúa, en bandas sinfónicas...Eu veño do Conservatorio, mais en 2009, cando estiven tocando na rúa en Italia, despois dos 40 euros mellor investidos da miña vida nunha guitarra, sentín que aquilo era marabilloso, auténtico. Volvino facer na Coruña despois. Váleche a túa experiencia docente (en campamentos, colexios, clases particulares) para 'lidar' cos compañeiros de banda?(Ri) Si, "lidar" é a palabra. Xusto. Hai que lidar con eles. Eu son igual que @s nen@s, o de ter que falarlles distinto non o entendo. Estou metida de cheo no mundo do ensino e Leo tamén é profe. Niso entendémonos ben: para nós, a educación é parte fundamental do futuro, é a arma que temos. É outra paixón que teño, o ensino. |
NOS_1675 | Ante as graves acusacións vertidas desde asociacións pro-Israel de todo o mundo, decidiu suspender o seu seminario 'Auschwitz/Gaza: un campo de probas para a literatura comparada'. | En pouco menos dunha semana, a campaña de difamación iniciada o pasado 20 de agosto pola Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) contra César Domínguez, profesor de literatura comparada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), alcanzou unha dimensión internacional. Todo comezou por un comunicado difundido pola Agai, no que cualificaba o seminario Auschwitz/Gaza: un campo de probas para a literatura comparada como "unha forma clara de antisemitismo contemporáneo e banalización do Holocausto", alén dun "insulto á intelixencia" e unha "vergoña para a Galiza". "De forma simultánea publicaron o comunicado e replicaron a mesma mensaxe ao decano da Facultade de Filoloxía e a min. Eu ofrecinme a ofrecer as explicacións que considerasen precisas e convideinos a consultar os contidos do curso, xa que só coñecían o título, mais dixeron que as súas acusacións de antisemitismo e xudeufobia estaban fundamentadas no título e non precisaban máis", explica, en conversa con Nós Diario, César Domínguez. O profesor conta que a súa materia forma parte dun minor de literatura comparada de 48 créditos dos que o curso supón seis, e que os seus obxectivos son "introducir o estudantado nesta disciplina" e "pór en práctica os coñecementos teóricos mediante lecturas recomendadas". "Eu teño que pór en coñecemento dos estudantes un conxunto de obras xa que en relación ao Holocausto o máis próximo que leron foi O neno do pixama de raias, mais hai un corpus de obras que o vencellan coa experiencia palestina por razóns históricas. Son autores cunha dimensión internacional. E os meus contidos foran aprobados por distintos órganos da USC e ninguén atopara nada que se puidese considerar non aceptábel", argumenta. O curso vertébrase sobre o concepto de "zonas de indistinción", acuñado por Giorgio Agamben O curso, di, estaba vertebrado con base no concepto de "zonas de indistinción", acuñado por Giorgio Agamben, descendente de armenios: "Son espazos onde a lei e a vida humana entran nun límite de indiferenciación; a lei deixa de actuar e a vida convértese en carne sen dereitos", engade, e lembra que nunha edición anterior contrapuxera Auschwitz co terremoto de Lisboa de 1755, "momento en que xurdiu a reflexión sobre o mal natural nunha sociedade na que até entón o mal se atribuía a Deus, e o Holocausto suscitou o mesmo debate sobre o chamado mal radical". Mais os seus intentos por explicarse e xustificar os contidos do curso foron en van. "A Agai non é unha asociación centrada en velar pola memoria histórica do Holocausto, senón un colectivo de amizade con Israel, o que supón que van apoiar calquera cousa que faga o país", di. A nivel estatal, afirma que a xornalista catalá Pilar Rahola, "firme defensora de Israel", liderou a campaña de difamación nas redes "xunto co lobby israelí no Estado español Acción e Comunicación no Oriente Medio (ACOM)". A polémica chegou tamén a América Latina, Francia ou o propio Israel, onde se fixo eco da nova o principal xornal, Israel Hayom. Aliás, o estadounidense Simon Wiesenthal Center —que entre os seus conferenciantes conta cun ex dirixente neonazi e do Ku Klux Klan— dirixiuse ao ministro de Universidades, Manuel Castells, para solicitar que intervise na USC e cancelase o seminario. "Eu estaba disposto a recoñecer que o título puidese ter ferido algunhas persoas, aínda que pola miña traxectoria pode verse que levo anos traballando neste campo, mais ninguén quixo escoitarme", lamenta. Suspensión do seminario Finalmente, malia que a USC se puxo da súa parte, César Domínguez avogou por suspender o seminario e impartir no seu lugar a materia Arte nos centros de detención de estranxeiros: un campo de probas para a literatura comparada, cuns contidos semellantes. "Fíxeno sobre todo porque non quero que os meus alumnos e alumnas se poidan ver prexudicados dalgún modo, e tamén por que non afectase á USC, mais non porque teña dúbida ningunha sobre a base científica do curso, que foi explorada nos mesmos termos por profesores de universidades israelís que, pola contra, non consideran antisemitas", explica. Con todo, non descarta ofrecer o curso orixinal no futuro de forma virtual e á marxe da universidade. |
NOS_39362 | Esposa, cuarteto de pop rítmico e por veces desbocado con base en Compostela, representará Galiza no festival Suns Europe. O certame, dedicado ás "artes escéncias en linguas minoritarias", celebrarase en Udine, no Friul, entre o 30 de novembro e dous de decembro. | A banda interpretará a canción Xardín Interior, o sinxelo co que bautizaron o seu disco de debut publicado este ano. Influenciada polas arestas máis melódicas do punk dos 70 e polo pop independente de guitarras, a súa lírica asexa a fraxilidade do cotía, as dúbidas do paso á vida adulta, a rebelión pequena pero teimuda, a incerteza. Mar Catarina (sintetizador), Cibrán Tenreiro (voz e percusión), María Villamarín (voz e sintetizador) e Xacobe González (voz e guitarra) forman Esposa. É un dos grupos máis activos desa nova vaga de pop galego en que militan propostas como as de Chicharrón -da que fai parte Catarina- ou Atrás Tigre. O Suns Europe, herdeiro do Liet Inernational, fai a súa terceira edición. Nas dúas anteriores, os representantes de Galiza foron Caxade e Familia Caamagno. A incursión de Esposa en Udine incluirá algún concerto a maiores fóra da programación do festival e unha residencia artística en Comeglians. |
NOS_43862 | As Xornadas chegan á súa cuarta edición con dezanove concertos que terán lugar do 10 ao 19 de outubro en diferentes espazos de Compostela. | O obxectivo destas xornadas é fomentar e difundir as últimas tendencias e a innovación da música contemporánea. Neste 2015 celébranse do 10 ao 29 de outubro en diferentes espazos da cidade: Auditorio de Galicia, Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC, Cidade da Cultura, Paraninfo da Universidade, Afundación e as Igrexas de San Domingos de Bonaval e a Universidade. A cidade encherase de música contemporánea cun total de 19 concertos, dos cales 3 están enmarcados no programa didáctico das xornadas, AdesTempo, e 3 en Off_Contemporánea!!, que abrangue as propostas máis alternativas do ciclo: outras músicas, outras visións, outros espazos... A encargada de inaugurar as xornadas, o sábado 10 de outubro na Cidade de Cultura (Museo Centro Gaiás) será a Orquestra de Cámara Galega dirixida por Rogelio Groba (fillo) e que interpretará obras de Rogelio Groba, que con 85 anos atesoura un catálogo de 700 títulos froitos dunha vida dedicada á composición. As Xornadas queren sumarse á celebración do 50ª aniversario de Manuel Rodeiro e Jesús González nunha homenaxe a dous dos compositores máis representativos da música galega actual. Será co Grupo Instrumental Siglo XX dirixido por Florian Vlashi o martes 13 de outubro no CGAC e no concerto teremos varias estreas, unha delas encargo do CNDM. O mércores 14 a cita será con Vertixe Sonora Ensemble na Igrexa de san Domingos de Bonaval que interpretarán música do compositor milanés Giorgio Netti dentro de OFF_Contemporánea!!. Outros protagonistas serán o dúo galego-portugués KONTAKTEduo, o conxunto estremeño Sonido Extremo, pablo_seoane_trem, o violinista Florian Vlashi e a Real Filharmonía de Galicia dirixida por Diego García Rodríguez, novo e emprendedor director galego que fixo da música contemporánea un dos sólidos piares da súa prometedora carreira. |
NOS_40653 | O Día da Patria Galega é ante todo o movimento dun sector relevante da sociedade galega a prol dos direitos nacionais da Galiza. Exprésase de distintas formas. A máis masiva é a marcha que convoca cada ano o Bloque Nacionalista Galego para partir ás 12 horas da Alameda compostelá rumo á Praza da Quintana. O BNG, segundo soubo Sermos, porá a énfase nesta marcha nun apelo á sociedade "para construír un novo proxecto de país". Non é a única manifestación programada para o 25X. Causa Galiza tamén chama a andar as rúas da capital da nación cunha palabra de orde nidiamente independentista. O resto de forzas optan por formatos menos mobilizadores das súas bases sociais. | A organización coa maior capacidade de mobilización de todas as que conforman o espazo do soberanismo galego é, sen dúbida, o BNG e este 25 a súa marcha voltará a ser un imán para millares de persoas vindas de todo país. O lema co que o Bloque convoca a súa manifestación é "Galiza, a nación que compartimos" e, desta volta, o chamado non é só vía o tradicional cartaz. Tamén hai un apelo musical, ao que poñen voz dúas das figuras de maior destaque dos palcos do país, Alonso Caxade e Xosé Luís Rivas 'Mini', dueto até agora inédito que se estrea con Estarmos todas canda ti. O BNG non quer un remake rotineiro de 25X anteriores e, portanto, formulará un discurso de claro impulso renovador. Un novo BNG coas portas abertas a novas incorporacións, non só de colectivos (como a recente da FOGA), senón de persoas a título individual. "Estamos nun bon momento. Iso estase a ver no número de altas e na ilusión que hai no conxunto da organización. Como di Ana [Pontón], vamos a por todas", afirman a Sermos desde a dirección da formación nacionalista. A marcha do BNG dará comezo por volta das 12 horas desde a Alameda compostelá e percorrerá o casco vello da capital galega até chegar á Praza da Quintana, espazo en que mitineará por segundo ano consecutivo a portavoz nacional da organización, Ana Pontón. Non será a única manifestación do 25X. Causa Galiza, após deixar atrás a súa ilegalización, convoca unha marcha a partir das 12.30 tamén desde Alameda. A organización independentista e socialista aposta na independencia nacional do país como única solución aos seus problemas ao considerar ilusoria calquera perspectiva de democratización do Estado español. Nese sentido, Joam Peres, un dos seus referentes, ten declarado a Sermos: "Un segundo ciclo de autonomismo sería un suicidio para o país". Até aquí as convocatorias mobilizadoras. As outras forzas políticas optan por formatos de menor arroupamento social e, portanto, é previsíbel que atraian continxentes ben menos numerosos de simpatizantes e/ou militantes (ou persoas inscritas por empregar a xiria da nova política). Particular destaque merece a este respeito o conglomerado de forzas que cohabitan en En Marea. Aquí a convocatoria é plural: organizan actos a propia En Marea -por vez primeira desde que existe, en 2016 aínda estaba a se constituír formalmente- e tamén o fan Anova e Esquerda Unida. O roteiro de actos para este 25, guieiro para non se perder ficaría así: Manifestacións 12 horas. Marcha do Bloque Nacionalista Galego sob a lenda de "Galiza, a nación que compartimos". Da Alameda á Quintana. Á conclusión, xantar de confraternización na Carballeira de Santa Susana e Festigal. 12.30 horas. Marcha de Causa Galiza. Da Alameda ao Toural. Actos políticos 11 horas. Compromiso por Galicia fai unha oferenda floral no Panteón de Galegos Ilustres. Ás 13.30, acto político no Parque Euxenio Granell. 11.30 horas. Encontro político de En Marea e xantar de confraternización sob o lema de "A Galicia que queremos". No Parque de Vista Alegre, en Compostela. 12.15. Homenaxe de Esquerda Unida ao alcalde de Mugardos Juan Prieto Balsa, militante do PCE asasinado polos fascistas en 1936. Praza do Concello, en Mugardos. Acto convocado baixo o lema de "Unha nación con memoria". 12 horas. Oferenda floral do PSOE a Castelao en Rianxo. 12 horas. Acto político de Agora Galiza na Praza 8 de Marzo, en Compostela. Á conclusión, xantar de confraternización no Parque de San Domingos de Bonaval. Con Carlos Morais. 13.30 horas. Romaría de Anova nas Galeras, en Compostela. Canto ao PP, a formación conservadora comemorou o Día de Galicia o pasado 21 de xullo en Vilalba cunha homenaxe a quen teñen como refererente galeguista, o presidente fundador do partido e ex titular da Xunta, Manuel Fraga Iribarne. |
PRAZA_3183 | Plataforma e Ministerio Público presentan recurso despois de que o xuíz desestimase o de reforma presentado polos afectados e insisten en que hai indicios dabondo para que se abra xuízo oral. | O pasado 27 de novembro, máis de tres anos e medios despois da denuncia da Fiscalía, o xuíz instrutor da investigación penal polas mortes de varios doentes de hepatite C polas que foron acusados varios cargos da Xunta de homicidio por "razóns orzamentarias" arquivou o caso. O maxistrado Andrés Lago Louro considerou que non hai indicios de que os investigados fosen responsables dos falecementos nun auto que xa foi recorrido. Afectados e Fiscalía insisten na petición de que se abra xuízo oral contra os dous cargos da Xunta que foran acusados de homicidioA Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C (PGAH) e a Fiscalía coincidiron, aínda que por diferentes vías de recurso, nas deficiencias que desde o punto de vista técnico tería a fundamentación do xuíz e, sobre todo, no convencemento de que había "indicios dabondo" para a apertura de xuízo oral, momento no que a actuación dos investigados debería ser valorada, nunca antes. A PGAH presentara un recurso de reforma contra ese auto do 25 de novembro, pero o pasado 9 de xaneiro o maxistrado Andrés Lago Louro desestimouno, polo que os afectados presentaron un recurso de apelación ante a Audiencia Provincial, ao igual que vén de facer a Fiscalía, que xa presentara outro de apelación contra o arquivo da causa. Xa que logo, afectados e Ministerio Público insisten na súa intención de que se abra xuízo oral e os dous cargos da Xunta comparezan ante un xuíz. A Fiscalía lembra, como xa fixera antes, en que "a actuación dos investigados debe ser valorada no acto de xuízo oral con todas as garantías para as partes" e que, polo tanto, "tal valoración non debe de ser anticipada polo xuíz instrutor, por corresponderlle ao órgano de axuizamento", tal e como destacan fontes do Ministerio Público. A plataforma de afectados insiste na "gran carga probatoria" e nos "indicios de culpabilidade" que acreditarían "numerosos testemuños"Lago Lourom, pola súa banda, insiste en que aos dous cargos da Xunta investigados, o que era director xeral de Asistencia Sanitaria, Félix Rubial, e a subdirectora xeral de Farmacia, Carolina González-Criado, non se lles pode imputar o falecemento dos pacientes, que tería tido lugar por "causas alleas á demora, omisión ou dilación na tramitación das peticións ou solicitudes de aplicación dos novos fármacos". O maxistrado, no auto no que desestima o recurso de reforma, insiste en que dos testemuños aos que apela a acusación particular --os dos doutores Evaristo Varo e Esther Molina-- non se pode concluír "unha carga probatoria de carácter inculpatoria", senón "discrepancias" nos criterios e procedementos establecidos para regular o acceso dos doentes aos novos fármacos para combater a hepatite C. E alega, ademais, o total descoñecemento destas persoas da tramitación administrativa destas peticións.O recurso da PGAH, ao que tivo acceso Praza.gal, insiste na existencia dunha "gran carga probatoria", así como de "indicios razoables de culpabilidade acreditado por numerosos testemuños" e asegura que Varo e Molina "expresaron rotundamente os graves problemas que tiveron á hora de acceder aos fármacos". Hai, segundo os afectados, "numerosos testemuños que ratifican o atraso no subministro dos fármacos, a falta de total organización para este subministro, as numerosas peticións que se tiveron que realizar para un mesmo paciente, a restricción arbitraria nos criterios de acceso ao medicamento, entre outras cuestións, e que achegan elementos indiciarios da responsabilidade dos investigados polos delitos imputados".Fronte a opinión da Fiscalía e dos afectados de que o xuíz debe limitarse á busca de indicios e non a xulgar xa, Lago Louro responde que entre os seus labores como instrutor tamén está o de "evitar innecesarios xuízos". A Fiscalía e os afectados lembran que os investigados eran "responsables directos" da tramitación das solicitudes dos tratamentos e da súa autorizaciónPara a plataforma, o xuíz, "lonxe de facer un xuízo provisional de probabilidade sobre a comisión do ilícito, realiza unha compelta valoración definitiva dos mesmos antes de coñecer as pretencións das partes acusadoras". Ademais, e respecto das competencias dos dous cargos da Xunta investigados, o recurso dos afectados remítese ao de apelación presentado pola Fiscalía, que "con meridiana claridade" desenvolve "cales eran as competencias dos investigados como membros da subcomisión que decisión sobre os tratamentos da hepatite C, que distan moito das recollidas no auto de sobresemento". Así, lembra que este organismo "encargábase de tramitar as solicitudes para poder recibir tratamento e tíñaas que autorizar para que este fose dispensado". "Os investigados --di-- eran responsables directos do devandito procedemento, sen cuxa sinatura non se podía subministrar nin adquirir o fármaco. Esta competencia é a que cómpre analizar e a que determina a súa responsabilidade", remata. |
NOS_29570 | Dous goles do Valladolid veñen de acender todas as alarmas no Celta de Vigo. Coa súa derrota este domingo, e a falta de se completaren todos os partidos da xornada, sitúanse cuartos pola cola. O descenso xa non é unha posibilidade remota. | Malia que os de Vigo se adiantaron no marcador no minuto 16 cun gol de Pione Sisto -un zurdazo- como resultado do seu dominio do esférico, o Valladolid, na actualidade na metade da táboa, deulle a volta ao encontro. E é que a partir do gol do Celta o partido igualouse. De feito, ambos os dous equipos chegaron con perigo en varias ocasións. Na segunda parte, os de Pucela asumiron o mando. Un disparo de Óscar Plano case supuxo o empate, pero Rubén atallou o esfético. No minuto dez da segunda metade, porén, chegou o 1-1. Marcou, desta volta, si Plano. No minuto 68 Keko asegurou os tres puntos para os casteláns. O Celta de Vigo esforzouse no derradeiro tramo por recuperar a iniciativa. A fortuna non lle sorriu e a súa caída na clasificación non se detivo. Foi a quinta derrota consecutiva dos de Cardoso. As alarmas soan con potencia en Vigo. Ficha técnica 2 Real Valladolid: Masip; Antoñito, Kiko Olivas, Calero, Nacho; Keko (Borja, min 82), Alcaraz, Míchel (Anuar, min 88), Toni Villa (Verde, min 68); Óscar Plano e Guardiola. 1 RC Celta: Rubén Blanco, Hugo Mallo, Araujo, Hoedt, Juncá; Lobotka (Hjulsager, min 74), Jozabed (Apeh, min 82); Pione Sisto (Beltrán, min 57), Brais Méndez, Boufal; e Maxi. Goles: 0-1, Pione Sisto, min 16; 1-1, Plano, min 55; 2-1, Keko, min 68. Árbitro: Sánchez Martínez. Amoestou a Toni Villa, Míchel (Real Valladolid) e Hugo Mallo, Hoedt (expulsado por dobre amarelo), Boufal, Juncá (RC Celta). Campo: Estadio Municipal José Zorrilla. |
NOS_35740 | Milleiros de persoas ateigaron este domingo as rúas de Compostela en defensa da sanidade pública e contra as retalladas realizadas polos gobernos de Alberto Núñez Feijóo. O rexeitamento á privatización progresiva e o desmantelamento do dereito á saúde uniron aos tres partidos da oposición parlamentaria e aos principais sindicatos. Vídeo no interior | A dous días de que o Parlamento debata a Lei de Saúde, os manifestantes amosaron o seu desacordo cunha política, a do Partido Popular, que reduciu os orzamentos sanitarios practicamente desde que en 2009 chego á Xunta de Galiza. "A nova Lei de Saúde suporá, ademais, o desmantelamento dos hospitais comarcais", denunciou Manuel Marín, portavoz de SOS Sanidade Pública, quen tamén lembrou o recente colapso das urxencias e alertou dos "chiringuitos que se están montando" co "proceso de privatización do I+D+i". A defensa dunha sanidade descentralizada, en que os sanatorios e hospitais comarcais sexan nodos fundamentais da atención pública, foi un dos elementos principais da manifestación deste domingo na capital do país. Os carteis e pancartas alusivas a problemáticas específicas combinábanse con lemas máis xerais -"Pola defensa da sanidade pública", rezaba a que sostiñan os líderes da oposición, Luís Villares de En Marea, Gonzalo Caballero do PSdeG e Ana Pontón do BNG- e cánticos contra Feijóo: "Presidente privatizador". "Recortes na pública, cartos para a privada" ou o máis directo "este Goberno é unha mafia" puideron sentirse ao longo do percorrido da protesta, que rematou nunha Praza da Quintana que quedou pequena. Para a portavoz nacional do Bloque Ana Pontón, Feijóo "non pode usar a maioría absoluta como un cheque en branco para desmantalar a sanidade pública", e lembrou que nos últimos anos "se recortaron máis de 3.000 profesionais, deixaron de utilizarse 700 camas, aplicáronse repagos que impiden o acceso de moitas persoas enfermas á sanidade e as listas de espera seguen medrando". O líder de En Marea, Luís Villares, asegurou que "a cidadanía ten un desexo compartido, unha sanidade publica que atenda pronto, con profesionais públicos e preto da casa". Pola súa banda, o socialista Gonzalo Caballero tildou de fracasadas as políticas sanitarias de Feijóo. "A xente quere unha sanidade pública, gratuita, de calidade e próxima". Na Quintana, a actriz Isabel Risco leu o manifesto da Plataforma SOS Sanidade Pública, en que se afirma que a Lei de Saúde que se debate esta terza feira no Hórreo "forma parte dunha estratexia da Xunta de privatizar a atención sanitaria". "Oitenta e seis pacientes pasan diariamente da sanidad pública á privada", engadiu. O Partido Popular recibiu a noticia dos milleiros de persoas que se manifestaron en Compostela cunha campaña nas redes sociais baixo os marcadores #stopbulos -contra toda evidencia empírica a respecto das políticas da dereita sobre a sanidade pública- ou contestando de maneira personalizada a usuarias e usuarios das mencionadas redes. Ademais, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, acusou ás "plataformas" que se opoñen á Lei de Saúde de verquer datos falsos. Nota: na pancarta, os líderes da oposición e dos sindicatos. |
NOS_22982 | A dignidade cidadá que por dúas veces foi quen de adiar o despexo de Aurelia esta semana é o tema que abre a capa do número 36 de Sermos Galiza, xa no prelo e esta sexta feira nos quiosques do país. | Partillan o espazo da capa a imaxe da portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, na súa estrea como tal no debate de política xeral, e o avanzo da reportaxe a dupla páxina que publicamos neste número sobre a situación do sector naval, infelizmente no dique seco. A capa complétase cun adianto do novo traballo de investigación que asina Rodri Suárez.Xa no interior do semanario, dedicamos un amplo tratamento informativo á tentativa de desafiuzamento -adubiada con malleiras policiais- da anciá coruñesa Aurelia Rey, alén de analisarmos polo miúdo o debate de política xeral, emprestando especial atención ao confronto entre Davila e Rajoy.A polémica arredor das revelacións do autor confeso do roubo do Códice Calixtin tamén ten o seu espazo nesta nova entrega do Sermos Galiza en papel, que asemade se debruza sobre o incumprimento do pacto asinado por Feijóo cos sindicatos agrarios UU AA, NN XX e SLG.Nas páxinas de Cultura, incluímos unha reportaxe de Josep Pastells sobre o boom editorial que se está a viver en Catalunya coa eventual independencia do país como argumento e unha entrevista con Francisco Rodríguez -político, ensaista, doutor de Filoloxía Románica- nas vésperas do 150 aniversario de Cantares Gallegos.A enorme potencialidade que encerra a lusofonía para o noso país é o tema ao que dedicamos o AFONDO desta semana, coordenado por Néstor Rego.E non podemos esquecer o estado das pesquisas arredor do paradoiro do crânio de Castelao, desaparecido misteriosamente hai apenas unha semana. Delas dános conta Carlos Quiroga, no imperdíbel segundo capítulo do folletín colectivo redixido en galego-português e que Sermos Galiza publica conxuntamente coa revista literaria brasileira Rascunho e co Jornal de Letras, Artes e Ideias de Portugal. |
NOS_5016 | "Non imos defraudar á xente de Catoira", di a Nós Diario Xoán Castaño, que esta quinta feira dimitiu como alcalde de Catoira antes do pleno no que se ía enfrontar a unha moción de censura por un pacto entre o PSdeG e mais o PP. | "Os únicos obxectivos meus son mirar polas persoas de Catoira, intentar solucionar humildemente desde a capacidade que teña o BNG os seus problemas, e traballar pola miña organización. Diante de todo isto, creo que fixen o que a miña conciencia me dixo. Son un servidor público, decidín apartarme voluntariamente", explicou Xoán Castaño en declaracións a Nós Diario tras dimitir como alcalde e evitar así a celebración dun pleno municipal en Catoira no que un pacto entre PSdeG e PP o levaría a ter enfrontado unha moción de censura. "Agora ábrese unha expectativa que creo que é a que demandaban a inmensa maioría das votantes progresistas de Catoira", asegurou Castaño, para defender: "Os políticos temos que estar ao servizo do interés da cidadanía e non respondendo a intereses persoais. Eu así o fixen". Xoán Castaño conta a Nós Diario que a súa renuncia á alcaldía desta mañá está a ter unha acollida "moi positiva" entre a veciñanza. "Eu non quero ser nin heroe nin nada, o único que quero é trasladar o meu apoio e recoñecemento ao grupo que estivemos aí gobernando nunha situación difícil. Creo que o fixemos moi ben, dentro das humildes posibilidades, co esforzo tanto de María Paz como de Gonzalo López", salientou. Ao tempo, tres edís do PSdeG que se desmarcaran da moción de censura que non chegou a ter lugar, manifestaron nun escrito estar dispostas a chegar a un acordo co BNG para estabelecer en Catoira "un Goberno estábel e de esquerdas" para o que resta de mandato. As socialistas Daniel Touriño, Roberto Bouzón e Purificación Quintás afirman que agora se abre "un escenario de oportunidade" que permite "voltar á posición de saída coa aprendizaxe do vivido este ano". Castaño, que preferiu non opinar sobre o comunicado feito público polas tres edís socialistas para "non interferir", comparte a postura de que é o momento de sentar a falar entre as forzas progresistas que obtiveron representación nas pasadas eleccións municipais. "Nós xa fixemos o noso esforzo e agora temos que, con estas tres compañeiras de corporación aínda que non de organización política, ser capaces de dar resposta ao que demanda a xente de Catoira. Eu creo sinceramente que seremos capaces de chegar a acordos", abundou o xa ex alcalde. "Non quero ser protagonista" Pola súa parte, as concelleiras socialistas apuntaron que após esta situación teñen o "convencemento" de que se pode impulsar "un bo Goberno para Catoira, que evite pór os enfrontamentos persoais por enriba das ideas políticas e que pense en mirar cara adiante e non cara atrás". "Non imos defraudar á xente de Catoira que pide isto", recalcou Castaño en conversa con Nós Diario. Da mesma maneira que afirmou non pensar en recuperar a alcaldía: "A miña dimisión é xa para non pilotar nada. Vou estar aí para o que me pidan desde a miña organización política e a cidadanía de Catoira". "Se queren que partipe, participo, e senón creo que hai persoas moi capacitadas para levar estas negociacións. Non quero ser protagonista, estarei ao servizo do BNG e dos intereses do pobo de Catoira, nin máis nin menos", engadiu. |
NOS_55992 | Suso Bermello, da Plataforma en Defensa do Ensino Público, céntrase no exemplo do ensino universitario e da aparición da Lei de recoñecemento da universidade privada como prototipo da rede público-privada que ameaza servizos básicos como a educación. | No ano 2019 o presidente da Xunta da Galiza tomou unha decisión que, dous anos despois, torna realidade coa disposición do PP a vencer a contestación social, os ditames e posicionamentos das tres universidades galegas e mesmo os reparos de organismos como o Consello Económico e Social (CES). A aprobación polo Parlamento galego, cos votos en solitario da maioría conservadora, da Lei de recoñecemento da universidade privada "Universidad Intercontinental de la Empresa" implica un salto cualitativo na carreira por facerse coa torta do negocio das titulacións superiores no noso país. A decisión política de Feixoo de favorecer a empresa de Escotet nace despois de que se lle entregase ao empresario venezolano unha parte fundamental do aforro das galegas e galegos, nun proceso de desmantelamento das caixas de aforro, que agora xa podemos cualificar como fraude, con todos os ingredientes habituais dos negocios opacos tan caros ao empresariado máis ruín e sen escrúpulos e aos gobernos máis entregados ao dogma e a práctica do liberalismo máis descarnado. O papel central que foi adquirindo Escotet a través de Abanca ten, de momento, o seu último capítulo coa creación da "Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos da Galiza", entramado público-privado para a xestión dos fondos Next Generation no que Abanca é o socio privado maioritario (38%) practicamente coa mesma participación que o propio Goberno galego (40%) mais co control efectivo. Se as amizades perigosas do presidente Feixoo pasaron primeiro por un iate e un narcotraficante e despois, entre outros, por un presidente dunha empresa enerxética, está clara a fortaleza da actual alianza de intereses políticos e económicos entre o dono da maior parte do aforro galego e o presidente da Xunta. Só con base nesa alianza se pode entender como se estendeu desde o primeiro momento unha alfombra vermella ao proxecto de nova universidade privada, malia as importantes carencias da documentación inicialmente presentada polo banco. Un proxecto que se define como de especialización "no eido da empresa e de carácter internacional, desenvolvendo unha actividade académica centrada en dúas áreas de coñecemento: ciencias sociais e xurídicas e enxeñaría e arquitectura", isto é, dous ámbitos nos que precisamente existe unha oferta ampla e diversificada nas tres universidades públicas do país. Por tanto, o propósito da nova universidade privada galega vai ser claramente entrar a competir coa oferta pública con titulacións redundantes, o que incumpre claramente a Lei 6/2013 do Sistema Universitario da Galiza (SUG), que indica sen xénero de dúbidas que un dos requisitos para autorizar a creación dunha universidade privada é que "o catálogo de titulacións ofertadas deberá ser complementario e non reiterativo respecto das titulacións preexistentes e consolidadas no SUG, e valorarase especialmente a súa conexión con novas ramas xurdidas no campo científico e con novas necesidades profesionais". Como ben se indica no ditame desfavorábel do CES, que foi totalmente desprezado pola Xunta e o PP no trámite parlamentario, a lei galega entra en clara contradición co proxecto presentado por Abanca cando esta afirma que co "recoñecemento desta universidade amplíase a oferta formativa no eido da educación universitaria galega". Mais non só iso, o ditame do CES tamén certifica que o proxecto carece dun "plan de desenvolvemento de titulacións por cada rama de coñecemento". Se a estas carencias e irregularidades unimos a ausencia de mecanismos de control no propio texto da Lei para que, por parte da Xunta, se poida vixiar o desenvolvemento e cumprimento das obrigas que a propia Lei indica, temos o retrato perfecto dunha estratexia de entrega dunha parte do SUG a maior gloria e beneficio de Escotet e Abanca. Por tanto, fica claro que a creación dunha universidade privada na Galiza é totalmente innecesaria e a oferta pública, con todas as limitacións de titulacións impostas pola Xunta, é suficientemente ampla sobre todo nos ámbitos académicos nos que Abanca se prepara para facer negocio. Porque iso é o que busca Abanca: negocio. Só así se pode entender o cambio de paradigma que se produce nestes últimos anos. Pasamos do que foi un modelo tradicional de colaboración coa universidade como retorno ao público dunha parte do beneficio obtido do aforro e investimento do pobo galego, como exemplo destacado da, con todo, feble colaboración pública-privada entre as antigas "obras sociais" das caixas de aforro galegas, á ruptura con ese modelo, como quen solta un lastre. Abanca decide que son horas dunha singradura en solitario, xa con pavillón unicamente privado, centrado no lucro e no propio beneficio da entidade bancaria. Tomada esa decisión por parte do poder económico, este só precisaba da autorización do poder político e aí é onde entre o dilixente Núñez Feixoo, cunha entrega sen reservas e sen control. Este é o segundo problema que provoca a decisión do PP de cara ao futuro do SUG: a porta aberta para novos proxectos que busquen o lucro no sector universitario e que amplíen aínda máis a fenda social na educación superior do noso país. A segregación provocada polos prezos das taxas universitarias e o custo vinculado a desenvolver unha carreira universitaria, sobre todo fóra da área de residencia non vai nacer coa universidade privada mais esta si vai impulsar esa segregación social, que existe desde hai moitos anos e impide o acceso ou expulsa das súas aulas a aquel estudantado con menos recursos económicos. O mantemento dunhas taxas a penas sen cambios en máis dunha década, grazas á presión das propias universidades, non impide que moitas mozas e mozos fiquen excluídos. Os modelos de institucións universitarias privadas camiñan todos na mesma dirección e reforzan esa segregación: unha inicial fixada polos elevados custos das matrículas e un modelo de negocio vinculado ao crédito que leva ao endebedamento estudantil a longo prazo; quen non ten diñeiro pode formar parte desta elite, xa o pagará a prazos. O modelo americano peta na porta, e a poder ser directamente, sen franquías de universidades de fóra. "O modelo americano peta na porta, e a poder ser directamente, sen franquías de universidades de fóra" Cesuga, unha empresa inicialmente vinculada a colexios privados da Coruña e Santiago, fomentadores do elitismo e a segregación social, e que hoxe ten sentados no seu consello asesor directivos de importantes empresas galegas (desde Estrella Galicia a Vegalsa pasando por Albia, Cortizo ou Leite Río), e con fortes conexións co Partido Popular, chama a esa mesma porta que se abriu sen condicións a Escotet. O malestar pouco disimulado de certo empresariado que leva anos operando baixo o paraugas de universidades privadas, primeiro en Dublín e agora cunha marca vinculada ao episcopado de Zaragoza, a Universidade San Jorge, non quere renunciar ao anaco do pastel do novo nicho de mercado. Poderá facelo co mesmo descaro e desvergoña coa que actuou Escotet e compañía: ofertando titulacións redundantes coas que ofrece a universidade pública, que é o que actualmente fai, porque unha vez que Feixoo decidiu abrir a porta sen condicións, queda aberta. Iso debeu ser o que se lle foi dicir o conselleiro de Economía ao consello asesor de Cesuga nunha das súas últimas reunións. A oferta privada non nace agora, mais refórzase e quere medrar á custa do público. A nova universidade de Abanca parte da estrutura previa do Ieside, con sedes en Vigo e A Coruña, con Graos en ADE cun prezo de 8.000 euros por curso ou Mestrados MBA e similares con taxas entre 16.900 e 22.900 euros e cunha orientación claramente elitista como tamén presenta Cesuga. Mais non só. Moitos mozos e mozas, con recursos ou a base dun grande esforzo ou endebedamento persoal ou familiar, teñen que realizar estudos en liña para cursar, por exemplo, o mestrado de profesorado por prezos que poden multiplicar por dez o que custa facelo nunha universidade galega mentres a Xunta se nega a ampliar as prazas públicas. Esa é a outra panca da privatización: a que se exerce co infrafinanciamento e as políticas restritivas da Xunta en mans do PP. Feixoo abriu a veda ou a poxa: véndense parcelas do sistema universitario galego. |
NOS_5784 | O acordo polo que Partido Popular e Democracia Ourensá repartiron o concello e deputación de Ourense é para o secretario de organización de Ciudadanos na Galiza, Laureano Bermejo, "o pacto da traizón" baseado unicamente nos "egoísmos persoais" e afirma que "por nada do mundo" a súa formación entrará no goberno local .· | O pacto alcanzado en Ourense entre Democracia Ourensá e Partido Popular, polo que Gonzalo Pérez Jácome resultou investido alcalde da cidade a cambio de garantir a continuidade de Xosé Baltar na presidencia deputación de Ourense, é "o pacto da traizón" para Ciudadanos. Con esas palabras cualificou o acordo entre DO e PP o secretario de organización do partido alaranxado na Galiza, Laureano Bermejo, quen ao mesmo tempo tamén é concelleiro electo no consistorio da cidade das Burgas. Para Bermejo, o pacto que fixo posíbel que a cidade de Ourense sexa gobernada por Jácome "só se basea en satisfacer egoísmos persoais" Para Bermejo, o pacto que fixo posíbel que a cidade de Ourense sexa gobernada por Jácome cunha xunta de goberno local paritaria DO-PP (con 5 membros para cada partido) é froito dunha manobra que "só se basea en satisfacer egoísmos persoais", afirmou en referencia a o novo alcalde e máis a Xosé Baltar. "Por nada do mundo Ciudadanos entrará no goberno da cidade", afirmou Bermejo "Sempre pensamos que había partidos políticos fieis aos seus votantes e á súa ideoloxía pero, despois do que ocorreu, parece que con tal de obter un posto importante para ou manterse na cadeira de brazos están dispostos a pactar até co propio diaño, sen importar o benestar da cidade", manifestou Bermejo. Engadiu ademais este edil ourensán que "por nada do mundo" Ciudadanos entrará no goberno da cidade. Con todo, o propio Bermejo afirmara en conversas con Sermos Galiza o 28 de maio (dous días após a celebración das eleccións municipais do 26M que deixaron Baltar sen maioría absoluta na Deputación de Ourense) que Ciudadanos ficaba aberto a todo, incluído a investir Baltar coma presidente de chegar a un acordo. Tan só uns días despois Bermejo comunicou que apoiarían o PP na Deputación sempre que propuxeran outro candidato distinto a Baltar para a presidencia da mesma. O concelleiro de Ciudadanos realizou estas declaracións esta cuarta feira 19 de xuño á saída dos xulgados após facer entrega da documentación e avais para propor á edil Montserrat Lama como Deputada provincial. Montserrat Lama foi deputada provincial co PP e agora continuará no cargo con Ciudadanos Montserrat Lama encabezou a candidatura de Ciudadanos á alcaldía de Xinzo de Limia, após deixar hai uns meses o Partido Popular, formación coa que xa fora concelleira desde o ano 2011 e deputada provincial desde o 2015. Como "un matrimonio en crise" describiu Lama a formación de Alberto Núñez Feixoo cando abandonou a súa militancia no PP Como "un matrimonio en crise" describiu Lama a formación de Alberto Núñez Feixoo cando abandonou a súa militancia no PP. Iso si, continuará agora coa acta que tiña como deputada provincial mais desta volta baixo as siglas do partido laranxa. Bermejo afirmou que Lama desenvolverá un papel moi importante como oposición "firme e clara, defendendo os ideais e as posturas que a formación levou sempre por bandeira". |
NOS_38416 | O xogo da AP-9 entre os partidos estatais acelérase na proximidade do 28-A. É agora o PSdeG quen asegura que a transferencia da xestión da infraestrutura será "un dos obxectivos fundamentais da vindeira lexislatura". Así se comprometeu a candidata socialista ao Congreso pola Coruña, Pilar Cancela. | "Non servirán escusas", afirmou este domingo, "porque está apuntada na columna do debe e non vai quedar diluída". No curto mandato de Pedro Sánchez que agora remata, o Congreso admitiu, logo de varias tentativas frustradas, a apertura do debate sobre a titularidade da autoestrada. Posibilitouno a súpeta mudanza de posición do grupo parlamentario do PP en Madrid. "As deputadas socialistas galegas colocaremos a medida na axenda e manteremos a mesma posición", prometeu Cancela nunha entrevista na Ser, que considerou a AP-9 "unha infraestrutura fundamental para a estrutura e vertebración do país, e unha conta pendente". "Será unha prioridade e nos defederémola", asegurou. Xusto nestes día transcendía a cesión da competencia sobre a AP-68 ao Goberno vasco. Coincidía co apoio do PNV aos seis decretos do Executivo de Pedro Sánchez tramitados a pasada semana. A candidata socialista pola Coruña entende que existen "diferenzas de contexto" pero insiste en defender o mesmo para a AP-9. Pilar Cancela non deixou pasar a oportunidade de criticar as mudanzas de opinión do PP ai respecto. "Desde a Xunta estaban máis calados que agora. Con iso de que estaba o Goberno amigo, parece que non había tanta paixón para defender determinadas cuestións", afirmou. O PP apoiou varias iniciativas no Parlamento de Galiza, a proposta do BNG, para reclamar a competencia, ao tempo que as freaba no Congreso dos Deputados. Só a caída de Raxoi conseguiu que os populares actuasen con coherencia entre o Hórreo e Madrid. |
NOS_54523 | As tres pandereteiras acompañaron á Banda das Crechas ao Celtic Connections de Glasgow o pasado xaneiro, e un escocés gravounas no 'backstage' dun concerto. O vídeo acadou case 200.000 visualizacións. | No vídeo, gravado polo músico escocés Tom Bancroft nun descanso dunha das actuacións e logo colgado no seu Facebook, as cantareiras non cantan un tema galego senón castelán, 'Las Panaderas'. E Bancroft fai un curioso comentario verbo do concerto oficial: "So far it is Galicia 7 Rajastan 5 Scotland 0", puntuando o nivel musical dos grupos que había nese momento no escenario. A escena foi compartida máis de 2.500 veces no Facebook e visualizada en 192.000 ocasións. A representación galega no Celtic Connections deste 2017 foron Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre e a Banda das Crechas, que nesta ocasión, ante a imposibilidade de que acudise o seu vocalista habitual (Davide Salvado), convidaron ás Tanxugueiras a que os acompañasen a este festival. Banda e Tanxugueiras tamén participaron no concerto-homenaxe a Angus Grant ('A night for Angus'), o violinista de Shooglenifty finado o pasado ano, que mantiña unha estreita relación con Galiza. Quen son as Tanxugueiras? Aínda sen disco publicado nin moito percorrido en directo, estas tres mozas (Sabela e Olaia Maneiro e Aida Tarrío) son as pandereteiras revelación dos últimos meses. Delas todo o mundo destaca, alén das cualidades técnicas, a súa actitude no escenario. Xa foron convidadas a comezos de ano a cantar con Xabier Díaz e as Adufeiras nun concerto en Compostela e agora a súa viaxe a terras escocesas vén de confirmalas como as grandes promesas do trad feminino. |
NOS_5331 | O 75% son en castelán. Nas titulacións de grao hai un predominio absoluto de español mentres que nas de mestrado a fenda co galego é menor. O orzamento de política lingüística na USC reduciuse un 61% desde 2008. | No curso 2016-17 da Universidade de Santiago de Compostela (USC) hai 457.726 horas docentes. Máis do 74% son impartidas en castelán fronte ao apenas 21% que o son en galego, unha fenda de máis de 50 puntos. No global da docencia (graos, restos de titulacións de 1º e 2º ciclo e mais mestrados) a USC transmite en castelán tres de cada catro horas de clase e en galego, pouco máis de unha hora de cada cinco. Son datos que figuran na web 'O Cartafol', do servizo de normalización lingüística da USC. Existen diferenzas entre as titulacións de grao e de mestrado. Nas primeiras a presenza do castelán é moito maior. Así, das 413.989 horas de docencia, o 76% son en español mentres que o galego fica no 20%. Dos 50 graos que se imparten na USC, tres carecen por completo de docencia en galego (Lingua e Literatura Inglesa (100% en inglés) e os graos en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural e de Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias). En 9 o galego ocupa menos do 10% das horas de docencia e noutros 15 está entre o 25 e o 50%. Os graos con maior presenza do galego son Xornalismo (82,68%) e, lóxico, Lingua e Literatura Galegas (100%). Mestrado As titulacións de mestrado na USC supoñen algo menos de 42.000 horas no curso 2016/17. O galego representa o 40% desas horas mentres que o español ocupa o 57,2%. Se ben a fenda é menor que nas titulacións de grao, continúa a ser considerábel, 17 puntos. Hai 11 másteres que carecen de docencia en galego, 36 onde o galego representa máis do 25% da docencia. Deles, en 20, as horas no noso idioma están por riba do 50%. Como se salienta no propio 'O Cartafol', os usos lingüísticos na USC pouco mudaron nestes 14 anos en que temos datos. "E non van mudar a prol do galego a non ser que se actúe en serio. O orzamento de política lingüística na USC reduciuse un 61% desde 2008. O último plan de normalización da USC remataba en 2010: vai para sete anos que estamos sen planificación". |
NOS_33395 | As nosas cidades son o resultado dun enorme e continuo traballo colectivo, onde casas e rúas, o escollido e o inesperado, vida persoal e social, cristalizan. Nelas, as avenidas son os eixos que concentran movementos e relacións. | As principais, son o resultado do bo trazado da estrada de saída e entrada extramuros e que no século pasado, transfórmanse en abrigadas rúas coa edificación progresiva dos laterais. En sobe e baixa como o terreo, unhas conforman enfiladas perspectivas como Urzaiz en Vigo ou a avenida da Coruña en Lugo e outras, leves serpenteos como Juan Flórez na Coruña ou o Progreso en Ourense. Rúa e edificios forman un todo, como se fose o centro dun grande edificio descuberto que dá servizo 24 horas a todo o que pasa detrás das súas paredes. Atravesan e estruturan barrios propiciando o transvasamento da centralidade histórica a outras partes da cidade. A sección media delas é duns 20 metros de ancho por 20 de alto aos lados (baixo e 5 plantas) -en ideal proporción un a un-, reforzada polos esforzos das corporacións que cos seus sucesivos plans tentan impor unha monótona homoxeneidade como se dunha operación instantánea se tratase. Non é así. Un longo proceso e enfrontados intereses converten cada tramo en diferente ao anterior e máis animado canto maiores sexan as diferenzas en alturas, recuamentos, soares baleiros e cruces ou diversos, os edificios públicos ou de resistentes veciños orixinarios. A rúa é un invento tan potente que atura calquera modificación e está constituída, paradoxalmente, pola suma de edificacións máis ou menos prescindíbeis ou superfluas. A súa importancia e cantidades: polas avenidas nomeadas, duns 2 quilómetros de longo -media hora camiñando-, circulan a diario uns 20.000 vehículos e 15.000 peóns saen e entran duns 500 portais e 500 locais comerciais. Nas plantas superiores unhas 5.000 estancias asoman á avenida e viven unhas 20.000 persoas. As avenidas "nútrense do que as altera" e ademais do escaparate continuo ou os portais que vemos, lense mil carteis, ademais de pintadas, que nos interpelan e van contando os cambios dunha veciñanza con rendas e cores cada vez máis diversas. Onde antes dicía Niza ou New York, agora lemos Wok ou Istanbul. Acicalados, saímos á conquista da avenida coa nosa mellor cara. Ver xente atrae máis xente e provoca unha gran seguridade. Nelas, atopamos de todo e a todos, mesmo sen buscalo. Como aumentar a súa complexidade? Posto que o que vemos hoxe é unha mínima parte do potencial que debemos explorar estudando movementos e velocidades, actividades e horarios, plantacións estratéxicas ou áreas de estancia. Ou onde dar cabida a novos equipamentos reversíbeis ou cesións de uso temporal. Canta cidade caberá nunha soa rúa? Unha nova orde que fomente o inesperado como esencia da vida urbana, fai pensar nunha confluencia de actividades coma a da súa orixe. A velocidade obriga a separar fluxos e é a lentitude a que os fai amábeis e compatíbeis. Vivir na cidade é só un primeiro paso para ao fin e intensamente vivir a cidade. Da supervivencia ao goce. A volta ao campo con rutinas urbanas é pura impostura. A ciencia ten demostrado que a auténtica "calidade de vida" está e estará aquí, na nosa gran casa, a cidade. |
NOS_54135 | Denúnciao o comité intercentros da corporación, que alerta dun progresivo desmantelamento da promoción do galego. | A Compañía de radio televisión de Galiza (CRTVG) incumpre as normas sobre o uso do galego no ámbito laboral, afirma o comité intercentros. A Corporación non só ten "unha enorme falta de compromiso co noso idioma" senón que mesmo vulnera o artigo 6 da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia. Un artigo que establece que "a lingua da Corporación é o galego, xa que logo a prestación do servizo de comunicación audiovisual por parte da devandita sociedade e as comunicacións que efectúe ao persoal dependente dela no exercicio das súas tarefas será en lingua galega". Pois ben, os representantes dos traballadores consideran que se está a dar o incumprimento da obriga de promoción da lingua galega que teñen os medios públicos en todos os seus ámbitos de actuación, incluídas as relacións laborais. Os sindicatos advirten do "malestar maioritario" que causou entre o cadro de persoal a "total ausencia da lingua galega nas accións formativas programadas para a adaptación da maior parte do persoal ao novo modelo de produción audiovisual dixital que se está a instalar no medio público". Así, afirman, nos cursos presenciais non se emprega o galego, algo que admiten como xustificado se os docentes son foráneos. Porén, é "absolutamente indefendible que a documentación formativa non estea na nosa lingua, malia que moitos manuais técnicos dos fabricantes traduciunos directamente desde o inglés a empresa encargada de acometer a transformación dixital da CRTVG e da conseguinte formación do persoal, a compañía Telefónica Servicios Audiovisuales". Ademais, o propio portal creado especificamente para aloxar o material formativo recorra a un dominio en español (proyectocrtvg.com) e "non teña nin sequera os menús en lingua galega". Desmantelamento lingüístico Os sindicatos alertan dun progresivo desmantelamento da promoción do galego por parte da Corporación, o que se manifesta, entre outros, na carencia de programación divulgativa específica e na situación do departamento lingüístico, "tan esganado que dificilmente pode asumir a supervisión da produción externa que chega ao centro emisor ao tempo que ofrece soporte ao persoal propio". |
Subsets and Splits
No community queries yet
The top public SQL queries from the community will appear here once available.