ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_9259 | O próximo 5 de outubro comeza na Cidade da Cultura o xuízo que sentará no banco o maquinista e o ex xefe de seguridade de Adif. | O custo para organizar o xuízo polo descarrilamento do tren Alvia en Angrois, en Compostela, o 24 de xullo de 2013 ascende a 931.759 euros por parte da Xunta, segundo destacou o vicepresidente segundo, Diego Calvo. O inicio do xuízo está previsto para o 5 de outubro no edificio CINC da Cidade da Cultura de Santiago, no monte Gaiás. A xerente da fundación, Ana Vázquez, cifrou en máis de 1.000 metros cadrados o espazo disposto para esta cita. 1.000 metros cadrados En concreto, serán 1.058 metros cadrados: 508 da sala de vistas, unha cifra superior á destinada para o xuízo do Prestige, 172 para oficinas xudiciais para a xuíza e fiscalía, 181 para a sala de prensa, 122 para a do público e 75 para a de togas e cafetaría. A Comisión Europea prosegue o expediente ao Estado español polo accidente de Angrois Vázquez, que compareceu en rolda de prensa xunto a Calvo e o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, sinalou que se farán probas nas próximas semanas para poder comezar "sen ningún fallo". O vicepresidente Calvo resaltou as "importantes características" dun xuízo que facían "imposíbel celebralo nas dependencias xudiciais" da capital galega, de aí a procura doutro centro "para poder albergar a todas as persoas e cubrir todas as necesidades que leva aparellado". Está prevista a presenza de polo menos 110 avogados e 165 vítimas durante o tempo que dure o xuízo. Un millón de euros A Xunta destinará case 1 millón de euros para custear servizos e subministracións necesarias, traballos para configuración do estrado do tribunal e mesados dos intervenientes, medios tecnolóxicos dispostos pola Amtega e contratación de sistemas de garda e limpeza. "Todo se fixo seguindo as necesidades que o xulgado do penal número 2 mos ía pasando ", subliñou Calvo, quen valorou os "fáciles" accesos da Cidade da Cultura, a súa conectividade co aeroporto "tamén rápida", o espazo para aparcar e tamén para situar unidades móbiles de televisión e radio. Coa experiencia do macroxuízo do Prestige, o vicepresidente segundo da Xunta asegurou que estará "todo en perfecto estado de revista" o próximo día 5 para comezar o xuízo. O xuízo O xuízo polo descarrilamento do Alvia que ocasionou 80 mortes e máis dun centenar de feridos vai comezar máis de nove anos despois de que se producise a traxedia, o 24 de xullo de 2013. Os procesados son o maquinista, que circulaba cun exceso de velocidade ao ter que atender a chamada do interventor, e o ex xefe de seguridade de Adif, responsábel de velar pola seguridade nunha vía e de que se fixese un adecuado control do risco. A xuíza terá que determinar se os feitos que se lles imputan son constitutivos de 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional, de 145 de lesións por imprudencia grave profesional e dun delito de danos. Fiscalía pide catro anos de cárcere para cada un deles. |
NOS_21893 | Un estudo precisa que, no ano 2021, as protectoras recolleron ao redor de 285.000 cans e gatos en todo o territorio estatal, unha cifra similar á de anos anteriores. | O Estado español ten unha das taxas de abandono de animais máis altas de Europa, segundo un estudo de Fundación Affinity que leva por lema 'El nunca o faría 2022' dado a coñecer no marco do Día Internacional do Animal Abandonado, que decorre este sábado 20 de agosto. Neste sentido, o estudo precisa que, no ano 2021, as protectoras recolleron ao redor de 285.000 cans e gatos en todo o territorio estatal, unha cifra similar á de anos anteriores. Por iso, lamenta que o abandono de mascotas "persiste" e "é un dos principais problemas de benestar e calidade de vida dos animais de compañía no Estado". Isto, a pesar de que "cada vez hai unha maior conciencia, novas leis e eventos como o Perrotón que ten como obxectivo fomentar a actitude responsábel, promover a adopción e contribuír a acabar cos abandonos e situacións de malos tratos animais", segundo comenta Gerardo Montoiro, xerente da compañía Bissell. Exixen da Lei de Protección Animal respecto nos usos tradicionais do rural Precisamente esta empresa quere promover a adopción de cans e gatos e lembra "que ter unha mascota implica responsabilidade, empatía, tempo e diñeiro". "Nunca é por capricho, hai que tomar tempo e valorar se se vai ter tempo para ela, se a casa está condicionada, se toda a familia vai colaborar no seu coidado e respectala", sinalan. Recoméndase a esterelización Neste sentido, chaman a lembrar que, cando se adopta a un animal, está a "salvarse unha vida"; ademais recomendan a súa esterilización xa que, segundo indicaron, "unha das grandes causas do abandono é a tenencia de camadas non desexadas". Tamén recomendan informarse sobre a normativa referente á tenencia de mascotas e apuntan que, quen comparte a súa vida cunha, "mellora o seu estado anímico". A Xunta identificará os animais de compañía que aparezan mortos na vía pública para avisar os donos Tamén destacaron o "amor sen condicións" que ofrece un destes seres e advirten de que "hai todo tipo de estudos que demostran as vantaxes tanto saudábeis como emocionais de convivir día a día cun animal doméstico". Unha vida máis activa e máis organizada, ademais de máis positiva para as crianzas, son outras das vantaxes que enumera Bisell para animar a adoptar unha mascota. O caso de Carballo Aínda que a identificación dos cans mediante microchip é obrigatoria por lei desde o ano 2003, "só 16% dos animais que son acollidos na Canceira Municipal de Carballo contan con el". Así o manifestan desde o propio Concello de Carballo, ao tempo que lembran que "este sistema de identificación electrónico permitiría saber de quen é o can, de maneira que facilitaría o retorno ao fogar no caso de perda ou a localización do responsable no caso de abandono, pero o incumprimento da lei impídeo e os animais permanecen nas instalacións municipais ata que son adoptados ou morren". |
PRAZA_1596 | A entidade, formada polos sindicatos agrarios, e apoiada por partidos, cooperativas e outras organizacións sociais, esíxelle actuacións urxentes á Xunta e ao Goberno central e chama a participar na manifestación en defensa do sector, convocada para o venres 17 de xullo en Compostela. | Este luns constituíuse en Compostela a Plataforma pola defensa do sector lácteo galego, impulsada polos tres principais sindicatos agrarios: Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores, e na que tamén participan a Federación Rural Galega (Fruga) ou a Organización de Productores de Leche (OPL). Ademais, partidos políticos, cooperativas e outras organizacións sociais adheríronse á iniciativa, que nace nun momento crítico no sector, con importantes caídas nos prezos pagados ao produtores e cunha forte presión exercida polos compradores. Isabel Vilalba (SLG), Roberto García (Unións Agrarias) e Francisco Bello (Xóvenes Agricultores) lembraron que o prezo medio do leite en Galicia non chega nin sequera aos 28 céntimos por litro, por debaixo dos custes de produción, que poderían situarse arredor dos 30 céntimos. Ademais, para ao redor de 1.200 explotacións (das ao redor de dez mil existentes en Galicia) a situación é máis graves, pois están recibindo entre 18 e 20 céntimos por litro. A Plataforma chama a participar na manifestación en defensa do sector, convocada para o venres 17 de xullo en Compostela e esíxelle á Xunta actuacións concretas para reverter a actual situación, que non só ten coma orixe factores esóxenos, coma a caída da demanda internacional por mor dun descenso do consumo. Para os sindicatos agrarios, as grandes empresas distribuidoras están a exercer unha presión insoportable sobre os produtores, forzándoos a aceptar prezos moi baixos, ameazando con deixar de mercarlles o leite, nunha estratexia tendente a deslocalizar a produción láctea cara ás zonas de maior consumo e os centros de distribución. A Interprofesional Láctea (INLAC) e as organizacións agrarias reuniranse este martes en Madrid con Isabel García Tejerina, ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, para esixirlle ao Goberno central a adopción de medidas urxentes para reverter os efectos negativos da actual situación. Así mesmo, os sindicatos agrarios reuníronse este luns cunha representación de Anova, como a semana pasada fixeran con PP, PSOE e BNG. Anova acusou á Xunta de "deixadez" á hora de tratar a difícil situación que vive o sector, esixíndolle á Consellaría de Medio Rural que exerza as súas funcións "para rematar coa extorsión"; de igual xeito, anunciou o seu apoio tanto á manifestación do sector lácteo do vindeiro día 17 en Compostela, unha mobilización que "non pode ser só sectorial, ten que ser social, de país", sinalou Antón Sánchez A Xunta minimiza o problema Rosa Quintana restou importancia á grave situación que viven os produtores, sinalando que "a inmensa maioría dos gandeiros conseguen colocar o leite sen grandes problemas" Pola súa banda, a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, destacou que o Goberno central e a Xunta están "abertos" a modificar o "paquete lácteo". A conselleira restou importancia á grave situación que viven os produtores, sinalando que "a inmensa maioría dos gandeiros conseguen colocar o leite sen grandes problemas", engadindo que se vive un momento de "baixa demanda a nivel internacional". Quintana amosou a súa "confianza" no futuro do sector, "sempre que sexa capaz de adaptarse ao novo escenario sen cotas, onde todo o mundo pode producir máis", destacou. Lidia Senra sinala que "gran parte da actual crise no sector leiteiro débese precisamente á aplicación deste paquete lácteo" Precisamente esta tarde está previsto que o Parlamento europeo debata a revisión do Paquete lácteo, aprobado a nivel europeo tanto polo Partido Popular (PP) como polo Partido Socialista (PSOE) o 15 de febreiro de 2012. A eurodeputada de AGEe, Lidia Senra, intervirá no debate para sinalar que "gran parte da actual crise no sector leiteiro débese precisamente á aplicación deste paquete lácteo", contemplado como un dos instrumentos de apoio para a liberalización total do sector, "unha medida que non estableceu nin tan sequera medidas básicas como un prezo mínimo que cubra os custos de produción e remuneren o traballo, nin tampouco fixou mecanismos efectivos que penalicen a imposición de vender a perdas que neste momento sofren as produtoras e produtores", lembra Senra. O BNG pídelle á Xunta que se sume á sociedade civil en defensa do sector Vence sinalou que a actual situación "crítica" do sector "é o resultado da obediencia da Xunta e do goberno central ás política europeas que desmantelan os sectores produtivos" O Bloque demandoulle ao Goberno galego que se "sume á sociedade civil" na defensa do sector leiteiro. Xavier Vence, portavoz nacional do BNG esixiulle á Xunta que defenda "con uñas e dentes" un sector produtivo que "está baixo mínimos, con apenas 40.000 persoas afiliadas". "Se queremos un rural vivo, temos que ter un sector leiteiro vivo", engadiu. Vence sinalou que a actual situación "crítica" do sector "é o resultado da obediencia da Xunta e do goberno central ás política europeas que desmantelan os sectores produtivos". O líder do Bloque lembrou que a UE "impuxo primeiro un sistema de cotas que limitou por décadas a capacidade de desenvolvemento dos produtores galegos" e, agora, "suprime ese sistema para dar paso a unha liberalización do mercado, que deixa ao sector nas mans das grandes cadeas de distribución que deciden os prezos e os lugares de produción, como o caso de Mercadona, cuxa política de compras despraza a produción a Andalucía, Levante, ao País Vasco e a Aragón". A "renuncia do Estado e da Xunta a regular o sector e a fixar prezos mínimos deixa aos produtores a expensas do que decidan as cadeas de distribución", denunciou. O Bloque demanda da Xunta que lle esixa ao Goberno central "medidas urxentes para frear este poder omnímodo" e evitar as súas "políticas de abuso". PSdeG-PSOE e BNG pediron xa a reunión da Deputación Permanente do Parlamento para convocar este mes de xullo un Pleno extraordinario no que Feijóo compareza PSdeG-PSOE e BNG pediron xa a reunión da Deputación Permanente do Parlamento para convocar este mes de xullo un Pleno extraordinario no que Feijóo compareza para explicar na cámar as medidas que o Goberno galego pensa levar a cabo en defensa do sector lácteo. Puy defende a actuación da Xunta Puy defendeu o traballo da Xunta "para conseguir mellores prezos" , responsabilizando da actual situación á posición dominante no mercado dos compradores do produto Pola súa banda, Pedro Puy, portavoz parlamentario do PP, defendeu o traballo que está a desenvolver a Xunta "para conseguir mellores prezos" e destacou como un logro que se conseguira "que todo o leite se recollese", responsabilizando da actual situación á posición dominante no mercado dos compradores do produto: "A Xunta está a facer todo o posible para que os produtores de leite poidan vender a un prezo razoable e de acordo co que sería un mercado no que os prezos se determinasen en función da oferta e a demanda, e non veñan determinados polos intereses das grandes multinacionais comercializadoras do leite". Puy sinalou que "se hai algo no que non hai nada parecido a un mercado libre é este sector, onde o problema deriva da existencia de acordos ou dunha posición dominante de monopolio por parte dos compradores do produto final, mentres que os provedores teñen moita dificultade para coordinarse e facer fronte a uns prezos que veñen determinados pola posición dominante que teñen as empresas que compran leite". Engadiu que "confia" que "estas xestións que ven facendo a Xunta culminen cun acordo satisfactorio e o sector gandeiro se sobrepoña a esta crise". Queixa ante o Valedor do Pobo O pasado venres o Valedor do Pobo admitiu a trámite unha queixa rexistrada polo Sindicato Labrego Galego na que se denuncia a "indefensión absoluta" das 10.000 granxas leiteiras galegas diante das prácticas abusivas da industria. No escrito, o SLG sinala que coa liberalización do sector trala fin do sistema de cotas "a industria está a beneficiarse do contexto para obrigar aos gandeiros e ás gandeiras a asinar contratos con prezos absolutamente miserables e que, lonxe de garantir o futuro do sector, abocan a boa parte deste á inviabilidade, co peche de explotacións que iso pode provocar". "Os mecanismos de presión son, polo demais, obvios: o máis simple é non recoller o leite se non se aceptan as condicións impostas pola industria", engade, ao tempo que pide que aumenten "as inspeccións de oficio". O sindicato denunciou tamén "a pasividade das administracións", destacando que "a parálise dos poderes públicos está levando ao establecemento de controis privados da produción" e esixindo a súa intervención ante a "ilegalidade de facto dos actuais contratos, chegando a asinarse mesmo con prezos de 0,21 €/litro, a todas luces, por baixo dos custes de produción, que poderían situarse arredor dos 30 céntimos". Na xuntanza do venres, Isabel Vilalba e Xosé Pérez Rei fixéronlle ver ao secretario xeral do Valedor do Pobo a necesidade que articular no sector "un sistema de mediación pública, gratuíta e eficaz" que garanta que as cláusulas dos contratos "non sexan unha imposición unilateral da industria". >>> HABERÁ AMPLIACIÓN |
NOS_5213 | CUAC FM é unha radio comunitaria que emite na Coruña desde hai 21 anos. Desde o día 2 de outubro só a través de Internet. A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galiza ameaza CUAC cunha multa de máis de 100.000 euros por carecer de licenza; unha licenza que hai tempo tería que ter concedido a propia Xunta. E non quere. Quere provocar o seu fechamento, na liña dun documento interno do Ministerio de Industria que no 2015 recomendaba acabar coas emisoras veciñais. CUAC vaise converter nos próximos meses no símbolo da loita contra os ataques do PP á liberdade de expresión no país. | "Porque a FM é libre, gratuíta e accesible a todo o mundo, desde a radio da cociña á do coche, por iso queremos volver a emitir na frecuencia modulada", di Roberto Catoira, o técnico de Recendo que acaba de rematar a súa emisión número 263 esta terza feira desde un pequeno estudo lila e vainilla con música de The Teta's Van. "Queremos volver e non nos van render así de fácil porque o espazo radiofónico é de todos, mesmo está recoñecido constitucionalmente, e porque pensamos que é moi perigoso que o espazo fique só en mans de radios comerciais que defenden seus intereses comercias e que se lle quite a voz ao resto da cidadanía", di Gema Millán, que vén de recitar un poema de Luz Pozo homenaxeando a Xohana Torres en Recendo, un programa cultural e algo máis, coma todos os programas en CUAC, radio libre, non profesional, con escola de formación –unhas 300 persoas pasaron por ela nos catro últimos anos–, rexida por una asemblea de 120 asociados, plural e diversa, como a grella –case trinta programas comezando a tempada, a 25 euros de cota mensual para gastos, e emisións producidas fóra, como Proxecto Neo (desde Radio Burela) ou Carne Cruda, a de Javier Gallego–, cun orzamento duns 20.000 euros para este ano, e desde 2003 nun módulo dun pavillón de ladrillo da UDC, na antiga sede dos sindicatos da universidade, que non a usaban, e máis adiante outro módulo, hoxe a escola de radio, alá arriba no campus da Zapateira desde onde se domina a cidade e o ar, as ondas que non se ven pero que lle falan a xente, e por iso son tan temidas polos poderes públicos que defenden intereses privados e unha visión da vida que abomina de visións como as de CUAC, plural e diversa. Libre. Isabel Lema, do consello de coordinación da emisora, explica que a Secretaria Xeral de Medios da Xunta fíxolles chegar un aviso a finais de setembro. Hai un expediente aberto, inducido polo Ministerio de Industria, que comezou cunhas escoitas hai un par de anos. Os técnicos do Estado determinaron que no 103.4 da FM coruñesa emitía unha cadea que non contaba con licenza. "Pois levamos moitísimo tempo pedíndolla á Xunta sen ter tido unha resposta", conta Isabel. A Xunta, sinala, ten competencias en materia de comunicacións para facer unha lei. Non a fixo. Tampouco o Estado desenvolveu o regulamento da lei de 2010 que obrigaba a reservar frecuencias para radios comunitarias. A lei non se cumpriu até hoxe. Só se concederon licenzas para emisoras comerciais. No 2012, diante da parálise administrativa, CUAC decidiu presentarse a un concurso que se limitara a radios comerciais. "Xuntamos 4.632 euros coas achegas de 160 persoas", lembra Tomi Legido, un dos fundadores. Tampouco conseguiron licenza. Despois denunciaron o concurso diante do Tribunal Superior de Xustiza para poñer en evidencia a situación. Tamén perderon. Pagaron costas (case 5.000 euros). "Entrar en litixio agora contra o expediente é inviábel pola cantidade da multa coa que nos ameazan, de cen a douscentos mil euros, demasiado caro", explica Tomi. Isabel e Tomi comparten programa, Alegría. "Un magazine de actualidade social e política", indica el. Levan 15 tempadas. Tomi comezou con espazos de música, despois cociña… En CUAC a supervivencia media dos programas "andará polos cinco ou seis anos", contan Álex e Antonio, que fan parte de Spolier, tamén con Isabel e catro máis, "unha revista de series de televisión quincenal". A última que recomendaron: Leftovers. "E sempre falamos de Xogo de Tronos, é imposíbel non facelo". A metade da programación faise en castelán e a outra metade, en galego. "Nós si cumprimos a lei", advirte Isabel. "E nunca lle pechamos a porta a ninguén", anota Manel, un dos colaboradores habituais de Recendo. En CUAC hai programas de ópera, deportivos, de dereitos civís... "O único límite é o respecto dos dereitos humanos", indica Álex, "e do Código Penal, claro". Hai programas nos que se fala (non sempre) de touros, como Dentro de un orden, outros como Radio Prometea dedicado a coidados e dereitos das persoas no eido da saúde mental, e outros realizados por asociacións culturais ou por colexios, como A fume de carozo, no que Roberto bota unha man. En 21 anos, máis de 450 programas distintos e diversos. O 18 de marzo de 2018 expira o prazo para que as autoridades que tramitan o expediente contra CUAC tomen unha decisión. Faltan menos de seis meses. O pleno do Concello da Coruña, cos votos de Marea Atlántica, do PSOE e do BNG, aprobou a segunda feira 9 de outubro unha moción de apoio solicitando que se garanta o exercicio da liberdade de expresión e o acceso dos medios comunitarios ao espazo radioeléctrico. No Congreso, a oposición gañou ao PP unha votación para esixir o desenvolvemento da lei. CUAC presentou alegacións ao expediente. "Somos unha radio comunitaria sen ánimo de lucro e temos dereito a optar a unha licenza. A Xunta ten plena constancia de que levamos anos intentando normalizar a situación. Mesmo puido concedernos un permiso temporal até que saíra o concurso porque así o contempla a lei para as radios que estiveran emitindo desde antes do 2009", di Isabel. Hai media ducia de radios comunitarias no país. Ningunha outra recibira até esta semana aviso algún da Secretaria Xeral de Medios da Xunta. No Estado, Radio Kras, de Xixón, acaba de ver como o goberno asturiano arquivou un expediente similar impulsado tamén desde o Ministerio de Industria. Radiopolis, en Sevilla, está á espera dos trámites, "pero confían no amparo da lei andaluza". Isabel resume o estado das cousas: "hai unha lei de 2010 da que non se desenvolveron os regulamentos para dar cobertura ás radios do terceiro sector; houbo unha filtración dun informe do Ministerio de Industria no que se recomendaba acabar con estas emisoras, e dous anos despois comezan a chegar os expedientes con multas disparatadas por non termos licenza". En 2015, eldiario.es publicou un documento asinado por un alto cargo do Ministerio de Industria, cando a carteira a levaba José Manuel Soria (apartado despois do cargo pola súa implicación nos Papeis de Panamá). Era un informe que contiña varias recomendacións sobre que tipo de lexislacións promover para controlar o espazo audiovisual favorecendo a empresas amigas e impedindo o acceso de medios comunitarios a licenzas. Aquel documento provocou a protesta da Asociación Mundial de Radios Comunitarias –catro mil medios de comunicación en 130 países– á que pertence CUAC diante do goberno español. Desde a Asociación, lembráronlle ao goberno que o Estado estaba a incumprir a súa propia lei e esixíaselle que aclarase o contido dun informe que atacaba "non só os medios comunitarios, senón tamén os dereitos fundamentais dos propios cidadáns". A oficina do Defensor del Pueblo tomou nota. Desde entón, apenas catro goberno autonómicos decidiron impulsar leis para normalizar a situación das radios comunitarias. Primeiro foron Catalunya, Aragón e Andalucía, e este mesmo ano acaba de saír o primeiro concurso en Navarra. "Hai xente que quere que haxa este tipo de radio polo tipo de contidos. Somos diversas e plurais", insiste Gema. "O noso vínculo é o dereito a comunicar", sinala Manel. "Hai programas de estudantes, de xente maior, antigos mariños que contaban as súas experiencias, nais de lactantes, asociacións como Aspace... Pode vir calquera e propoñer unha idea e adiante", di Roberto. "A escola permitiunos ir mellorando a calidade das producións", engade Álex, "e mesmo fomos incorporando tecnoloxía e ferramentas para subir as emisións á Rede, faise de xeito case natural porque estamos moi pegados á universidade, a xente vén por aquí e proba isto e o outro e saen cousas". Tamén locutoras e técnicas para as radios comerciais. "Non creo que sexa a elas a quen lle molestamos", opina Manel, "inda que en Navarra parece que teñen litixios polo concurso". O día 2 de outubro CUAC FM apagou as emisións no 103.4. Pero a radio segue viva e vivindo con normalidade. Hai catro novos aspirantes a locutores e técnicos na clase de Tomi esta terza feira. No estudo rematou Recendo e comeza Una noche en la ópera. Na aula Tomi explica a estratexia dos silencios na radio. Esta nun deles CUAC, nun impasse. Pero moi viva. E libre. Nota: As dúas fotos inseridas no meio do texto, ambas da autoría de E.D., son (1). Aula de formación en Cuac FM. Tomi, un dos fundadores dando clase; (2).-Álex e Antonio, integrantes da equipa que elabora o programa Spoiler. |
NOS_33201 | Informan que desde o pasado mes de abril presentou máis dun cento de denuncias na Consellaría de Medio Rural por plantacións ilegais desta especie. | Adega presentou esta terza feira, 26 d eoutubro, día no que entra en vigor o novo Plan Forestal de Galiza 2021-2040, os primeiros resultados da súa campaña de denuncia contra plantacións ilegais de eucaliptos. "Malia procurar entre os seus obxectivos a redución dun ridículo 5% da superficie ocupada con eucalipto para 2040, tanto a moratoria como o novo Plan Forestal semellan estar provocando o efecto contrario", sosteñen desde a organización ambientalista. Adega lembra que na campaña houbo unha aposta forte pola colaboración e participación cidadá, procurando trasladase á organización ecoloxista información sobre presuntas plantacións ilegais de eucalipto, cortas de bosque autóctono ou ocupación de terras de cultivo irregulares efectuadas con esta especie invasora. Cumpridos seis meses desde o inicio da campaña, informa Adega, foron recibidos máis de 230 avisos sobre infraccións cometidas no eido forestal, dos que máis de 200 son denunciábeis, afirma, e teñen que ver coa "plantación indiscriminada ou irregular de especies do xénero Eucalyptus no noso territorio". Cumpridos seis meses desde o inicio da campaña, informa Adega, foron recibidos máis de 230 avisos sobre infraccións cometidas no eido forestal Así, Adega informa que xa leva presentadas ante a Consellería de Medio Rural da Xunta e demais organismos competentes máis de 100 denuncias sobre plantacións, cortas e cambios de cultivo en parcelas que infrinxiron a normativa forestal, e nalgúns casos, tamén a normativa medioambiental, a de augas ou a de patrimonio. Substitución de bosque por eucaliptal: o 60% dos casos denunciados Até a actualidade, e tendo en conta que aínda fican moitas denuncias por tramitar, Adega informaque xa leva presentado diante da Xunta máis de 100 denuncias que atinxen á transformación irregular de máis de 80 hectáreas (ha) de terreo de bosque ou de cultivo en eucaliptal, o que equivale a máis de 197 campos de fútbol de superficie ocupados ilegalmente por esta especie foránea e invasora tras o anuncio da moratoria da Xunta. Este feito, afirman, vén a constatar "a falta de control e vixilancia que houbo por parte da Xunta no monte galego tras o anuncio da moratoria do eucalipto, e como esta contribuíu a promover a infracción das normas en materia forestal, á aumentar as agresións ao medio ambiente e á superficie destinada á agricultura e gandería, as cales teñen cada día un acceso máis difícil á terra". Así pois, prosegue, das parcelas denunciadas até hoxe, o 40 % corresponde a plantacións de eucaliptos sobre solo de uso agrícola e pastos e o 60 % restante, a cortas a feito de masas de bosques autóctono, en moitos casos carballeiras. "A meirande parte delas, efectuadas en parcelas menores de 5 ha. Alén disto, un 15% das plantacións afectan a algún curso de auga ou a zonas de dominio público hidráulico, e un 10%, a elementos do patrimonio cultural, polo que tamén foron denunciadas ante o organismo con competencia". |
PRAZA_7409 | AGE culpa da situación á "política errática" do Goberno galego, ao que lle pide que dea "explicacións" á "inquedanza" dos traballadores. Os produtores levan catro meses de atraso nos cobros. | Alimentos Lácteos segue sen atopar solución. A factoría de Outeiro de Rei, que recolle leite de case dous mil gandeiros de toda Galicia, atravesa "unha grave crise que afecta non só ás once cooperativas que agrupa, se non o xa danado tecido agrogandeiro da zona", tal e como denuncia Alternativa Galega de Esquerda (AGE), que culpa da súa situación á "política errática" da Xunta, así como aos seus "remedios trapalleiros". AGE censura os "remedios trapalleiros" da Xunta cunha factoría na que investiu uns 9 millóns de euros Antón Sánchez, voceiro de Agricultura e Alimentación do grupo parlamentario de AGE, esixe "explicacións" da Xunta á "inquedanza" que amosan os 71 traballadores dunha factoría que leva tempo agardando por solucións ante o negro futuro que prevén. Así, Alternativa denuncia que o cadro de persoal "leva máis de tres meses pedindo unha entrevista" cun responsable do Goberno que "nin tan sequera lle responde". O caso é que a Xunta de Galicia presidida por Núñez Feijóo impulsou en 2012 a constitución de Alimentos Lácteos, formada a partir da unión de once cooperativas e apoiada polo Goberno para ocupar a antiga factoría de Pascual malia a presenza de importantes ofertas doutras (e máis numerosas) cooperativas galegas, como a liderada por Feiraco. Agora, e logo de que a Administración galega investise perto de nove millóns de euros de cartos públicos na fábrica, os produtores seguen sufrindo atrasos nos pagamentos. Levan entre cinco e catro meses de atrasos, o que provocou que moitos deles deixasen de levar o leite á factoría. "Non confían no proxecto", asegurou Antón Sánchez, que lembra que a factoría ten capacidade para procesar 7,5 millóns de litros de leite á semana e apenas está traballando con 300.000, un 4% do que se podería empregar. Os parlamentarios de AGE manteñen contacto continuado co cadro de persoal de Alimentos Lácteos e esixen da Xunta "responsabilidades" pola situación da compañía. "A situación é límite", asegurou o deputado de AGE por Lugo, Ramón Vázquez, quen lembrou as dificultades que atravesan outras empresas emblemáticas da provincia, como as madeireiras Finsa e Tablicia, a cementeira Cosmos ou a fábrica de Sargadelos, así como os datos do paro, cuxo incremento interanual en Lugo foi de practicamente un 10%. |
NOS_23481 | A Unión de Consumidoras da Galiza (UCGAL) asegura que hai produtos que se aproveitan do descoñecemento da consumidora ou consumidor. Denuncian , tamén, que moitas axencias de viaxes non devolven o importe de determinados paquetes turísticos. | A Unión de Consumidoras da Galiza (UCGAL) alerta que a situación provocada polo estado de alarma contra a pandemia da COVID-19 provocou algunhas actuacións que poderían danar os nosos dereitos. Desde esta entidade apuntan que unha porcentaxe importante das demandas que lles chegan teñen que ver co aprazamento das facturas como consecuencia da parálise dunha gran parte da actividade económica. "Algunhas eléctricas fixéronse eco desta preocupación e ofrecen a posibilidade de adiar e fraccionar o cobro das facturas, mais hai casos só llela presentan aos clientes que pertencen ao mercado libre, quedando excluídos os do mercado regulado", explican desde UCGAL. Para esta entidade esta maneira de actuar fomentan o cambio, de forma oculta, do mercado regulado, máis barato para os consumidores domésticos, ao libre. Estas manobras quedan ocultas polo descoñecemento da poboación. "A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia indica que 64% dos fogares españois descoñecen en que mercado teñen contratado a subministración de luz", sinalan desde UCGAL. Tarxetas de crédito e recuperación viaxes Outro dos perigos neste días son as tarxetas de crédito revolving que permiten devolver o crédito a prazos mediante o pago de cotas periódicas que varían. "Con cada cota pagada o crédito dispoñíbel volve reconstituírse e, dependendo do tipo de xuro, pode que nunca se chegue a acabar de amortizar a débeda", sinalan desde esta asociación. Explican que algunhas entidades financeiras rebaixaron os xuros destas tarxetas até 21%, unha porcentaxe que se axusta á media do tipo de xuros para estes produtos. Para UCGAL é "unha estratexia para disuadir ás consumidoras de reclamar polos xuros usurarios cobrados con anterioridade". Por último informan que moitas axencias de viaxes néganse a devolver o importe das viaxes combinadas, aquelas nas que se contratan polo menos dous servizos (transporte e aloxamento, por exemplo) de forma conxunta cunha axencia. Desde UCGAL lembran que as viaxeiras e viaxeiros afectados teñen dereito ao reembolso dos cartos ou a un bono por dita contía cun período de validez dun ano desde o fin do estado de alarma. |
NOS_12092 | Non só non dimitiu cando o Tribunal Supremo anulou o seu nomeamento da irmá do portavoz parlamentario do PP e quedou de manifesto o carácter nepotista da súa conduta. A Valedora do Pobo, Milagros Otero, vén de remitir un escrito á Mesa do Parlamento en que reclama un aumento do seu salario. | Otero pide que o seu soldo se axuste á evolución do PIB en 2018 e aumente un 0,25%. Denúnciao a deputada de En Marea Carmen Santos, que se confesa "perplexa e avergoñada". "Tendo en contra a súa controvertida xestión", di Santos, "que reclame aínda máis diñeiro público, cando cobrou case 100.000 euros polas súas funcións...". A parlamentaria concreta: 74.800 euros de salario, 11.000 en gastos de libre disposición e outros 11.000 en gastos de representación. A Valedora do Pobo anunciou en abril que puña o seu cargo a disposición do Parlamento despois de que o Supremo rexeitase o seu recurso no caso da irmá de Pedro Puy, portavoz do PP no Hórreo. Este partido mantívoa contra as peticións de dimisión por parte das forzas de oposición e contra toda promesa de rexeneración e rexeitamento da corrupción. Carmen Santos lembra ademais que en xaneiro Otero xa gozou do aumento de salario derivado do Real Decreto Lei 24/2018 do 21 de decembro do pasado ano polo que as retribucións do sector público crecían. E acusa ademais a Otero de deixación de funcións cun exemplo: "Esta semana xuntámonos co colectivo ViGalicia [de persoas con diversidade funcional] e din que malia remitir multitude de escritos á Valeduría, estes nunca se materializan en demandas á Xunta por parte da institución que está para defender o pobo". |
NOS_25527 | O Sindicato Labrego Galego di que as industrias obrigan ás produtoras a asinar cláusulas sobre os custos de produción baixo presión. | O Sindicato Labrego Galego acusa a industria de "extorsionar" novamente as granxas. Desta vez, denuncia o sindicato, están obrigando as produtoras a "falsear" a cláusula que fai referencia aos custos de produción nos contratos. Como lembran nun comunicado, a recente reforma que fixo o Goberno español da Lei da cadea alimentaria, após as fortes protestas do agro en todo o territorio, obriga a incluír unha cláusula nos contratos na que se faga referencia a que o prezo pactado entre industrias e produtoras cobre os custos de produción. "Aínda que en teoría poida parecer unha medida positiva, ao non estabelecerse unha referencia oficial sobre os custes de produción, no sector lácteo as industrias están a impor, baixo ameaza, o seu criterio nesta cláusula como no resto de termos que inclúen os contratos", indican desde o Sindicato Labrego. "Ou a granxa asina ou deixan de recollerlle o leite. Así, na práctica, todas as granxas están asinando que o prezo que lles impón a industria cobre os custos de produción aínda sendo conscientes de que iso é falso", denuncian. Hai unhas semanas, o propio Sindicato Labrego Galego poñía o foco no último Estudo de custos e rendas das explotacións agrarias (Ecrea), realizado polo propio Ministerio de Agricultura en 2017, que situaba os gastos medios dunha granxa de leite na Galiza ao redor dos 39 céntimos, moi lonxe do prezo medio actual. "De feito, no Sindicato Labrego Galego temos constancia de que se están a asinar contratos no sector lácteo con prezos miserábeis de 24 céntimos por litro", sinalan para exemplificar o lonxe que están os prezos do leite en orixe de cubrir os custos de produción. Engano consentido Á vista desta realidade, o sindicato considera que a cláusula dos custos "semella máis ben un engano do Ministerio de Agricultura para acalar as protestas labregas sen contrariar a industria". "O peor de todo é que esta extorsión legalizada estase a perpetrar con absoluta impunidade grazas ao amparo e pasividade do propio Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural, que miran cara a outra banda en vez de defender os intereses do agro", lamentan desde o Sindicato Labrego. |
NOS_2134 | A edición dixital do semanario conta, desde hoxe, coa posibilidade de poder acceder a través dos teléfonos móbiles. | O xornal galego Sermos Galiza xa se pode consultar nos smartphones cunha aplicación específica que está incorporada cando se consulta desde un teléfono con estas características. A aplicación funciona tanto en plataformas iPhone como en Android e facilita a consulta das novas a partir dos seus titulares e unha imaxe das mesmas. Por outro lado o perfil de Sermos Galiza en Facebook chegou ao límite de siareiros (5.000) polo que aconsellamos a@s que consultan a rede social que sigan a nosa páxina nesta mesma plataforma. |
NOS_19506 | As formacións asinantes da proposición de lei a prol do dereito de autodeterminación dos pobos comparecen esta cuarta feira (11 h) para valoraren, en conferencia de imprensa conxunta, a inadmisión a trámite por parte da Mesa do Congreso d@s Deputad@s. Segundo puido saber Sermos Galiza, BNG, Amaiur e ERC recorrerán o veto imposto polo Partido Popular. | Voceir@s das tres formacións asinantes da Proposición de Lei pola autodeterminación dos pobos comparecen esta cuarta feira perante os medios de comunicación após coñeceren, de forma extraoficial, a decisión adoptada pola Mesa do Parlamento de impedir a súa tramitación no Pleno. Neste senso, PSOE e CiU --que tamén compoñen o órgano parlamentar, si terían apoiado a proposta--. En declaracións a Sermos Galiza, a portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, asegurou que o veto imposto polo PP á proposición lexislativa "dá boa conta da súa calidade democrática". Aliás, a nacionalista asegura que na decisión d@s populares "priman as cuestións de fondo" que abordaba a proposición e que o Partido Popular "non quere que se debata". Olaia Fernández Davila (BNG): "Non existe desde o punto de vista procedimental ningún argumento que xustifique o veto" Segundo puido saber este medio, @s representantes do PP na Mesa argüen cuestións de forma para xustificar a inadmisión a trámite da proposta soberanista. Porén, Fernández Davila asegura que "iso é un invento". "Non existe desde o punto de vista procedimental ningún argumento" que xustifique o veto, afirma a portavoz nacionalista. Así o demostraría, dixo, o feito de no pasado se incorporaren á orde do día outras propostas que conlevaban reformas na Constitución, a última delas a formulada polo PSOE de Zapatero cando se reformou o artigo 355 da Carta Magna para, co apoio do PP, constitucionalizar o déficit cero. Así pois, BNG, Amaiur e ERC anuncian que recorrerán a decisión. |
NOS_36588 | Analizamos o anteproxecto de lei de seguridade cidadá. Falamos da trama económica tras o Prestige, do naval, de Discos da Máquina... e entrevistamos Fina Casalderrey e a cooperativa Sacauntos. Xa á venda na nosa loxa. | Máis un número de Sermos Galiza. O 75. Que, aínda que non o pareza, xa son uns cantos. O tema da semana será o anteproxecto de lei que prepara o goberno español para regular a 'seguridade cidadá'. Falamos con avogados, representantes de plataformas de dereitos civís,... para comprender o alcance dun ha medida que nos sume de cabeza no Estado policial. Na Análise achegámonos a voces que alertan de que se albisca un estancamento da indignación social organizada. Un escenario que beneficia un PP que confía en que o paso de tempo apague por si propio a fogueira social. E neste número tamén falamos da trama económica paralela do Prestige, que tamén saíu impune. Medidas para crebar folgas e novas tecnoloxías A decisión do PP de meter a tesoira e recortar escanos no Parlamento , o debate dos orzamentos ou como o Banco de España elixe trincheira na poxa de NGB son outras das cuestións que tratamos neste semanario, desde esta quinta feira nos quioscos. O naval en loita, a lei de servizos mínimos que prepara Rajoy como o mellor creba-folgas é outro tema ao que lle metemos dente. No apartado de tecnoloxía falamos de como se están a reinventar as eleccións. Cooperativismo e Catalunya Entrevistamos a Tomás González, da cooperativa Sacauntos, que desde o barrio compostelán de Vista Alegre nos fala de sinerxias para resistir e avanzar nun contexto de crise xeralizada. Con Joan Teran (Candidatura d' Unitat Popular, CUP) falamos de política, da que se fai desde abaixo e sen medo para erguer unha outra Catalunya. E tamén nos animamos con Discos da Máquina, posto en marcha por músicos con trabe na autoxestión e cun pequeno catálogo como bomba de reloxería. Con Fina Casalderrey, escritora e nova integrante da RAG, departimos de literatura, experiencias, ensino e da vida. Inquisición, lactancia, Terra queimada Na sección Viaxes na Miña Terra imos da man do colectivo XEA até Corzáns, o portal da Inquisición. Okapi lévanos a 'A Terra Queimada', o libro-CD coa intriga Xurxo Souto e a música de Lalo Carnota. E nas seccións, en libros Mario Regueira fálanos de 'Cadeas' de Xabier Cordal; en Cinema, un clásico, 'Michael Collins', con Andrés Castro; e na música Olga Brañas cóntanos de 2nafronteira. E na contracapa falamos con Bibi Fernández, nai e coidadora que inicia unha nova aventura con outras coidadoras co noso idioma como protagonista. |
NOS_52373 | Un nutrido grupo de activistas da memoria histórica protagonizou esta segunda feira na entrada do Pazo de Xelmírez un acto a prol da devolución ao público das estatuas de Abraham e Isaac, espoliadas pola familia Franco. | Nunha acción xemelga á da toma simbólica do Pazo de Meirás, un grupo de activistas da memoria -entre os que figuraban destacados dirixentes do BNG- reivindicaron esta segunda feira a restitución ao dominio público das tallas de Abraham e Isaac, obtidas de forma fraudulenta polo ditador Franco, a quen llas tería obsequiado o concello de Santiago en 1961 sen que fique ningún rexisto de tal doazón. Varias persoas precintaron a porta de entrada ao Pazo de Xelmírez para a seguir se encadearen diante dela, mentres o resto dos activistas despregaban faixas e reclamaban a "liberdade" para as estatuas. Efectivos da policía nacional personáronse no lugar e amagaron con pedir a documentación ás persoas encadeadas, embora -no momento de se redixir esta información- finalmente se abstiveron de facelo. Sobre este asunto existe un proceso xudicial en marcha instado polo goberno municipal de Compostela Aberta que se está a sustanciar nun xulgado de Madrid. O concello reclama por vía civil a devolución por considerar que se produciu unha apropiación indebida das estatuas. "Fixemos esta acción para reclamar a devolución das estatuas", declarou a Sermos Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña. "Pedimos que se tomen medidas cautelares [mentres o xuíz non resolver a demanda interposta polo concello] para que continúen nun lugar público", acrecentou. Existe un precedente, "o intento de venda das Cruces de Pedra de Castelao por parte dunha sobriña de Virxilia [a esposa do artista e político rianxeiro]. Daquela si que se adoptaron medidas cautelares e os debuxos ficaron no Museo de Pontevedra", alega Goretti Sanmartín. As medidas cautelares debería propoñelas o concello -pois é o actor da demanda-. "Por súa parte, a Xunta tamén pode adoptar medidas para protexer as estatutas. Ten direito a iso porque xa encetou os trámites para as declarar ben de interese cultural", conclúe Sanmartín. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, parabenizou a acción destes activistas -na súa maioría simpatizantes e militantes nacionalistas- a través da súa conta twitter. A familia Franco roubou dúas estatuas do Pórtico da Gloria. Acto de dignidade de militantes do @obloque fronte o pasotismo de xustiza e institucións dirrectamente implicadas. Que nos devolvan o roubado #FreeAbrahanIsaac #FreeAbrahaneIsacc https://t.co/0m0ywf2Md3— Ana Pontón (@anaponton) 26 febreiro 2018 As estatuas foron cedidas pola familia Franco para faceren parte da exposición Mestre Mateo, que se mantivo aberta no Pazo de Xelmírez até este domingo 25 de febreiro. A previsión é que no prazo máximo dunha semana os herdeiros do ditador retiren as figuras do pazo. |
NOS_42192 | Nunha entrevista concedida á Radio Galega, o secretario xeral do PSdG-PSOE reitera que "a presunción de inocencia afecta a todos os cidadáns, tamén aos políticos" e que non pedirá o cargo nen do alcalde de Lugo nen dos rexedores do PP implicados. | O secretario xeral do PSdG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, rexeitou pedir a demisión de ningún dos rexedores aínda no cargo cuxa implicación na operación Pokemon contra a corrupción política ficou de manifesto ao se levantar o segredo de sumario este 1 de febreiro. Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Besteiro reiterou até en tres ocasións a mesma frase, "a presunción de inocencia afecta a todos os cidadáns, tamén aos políticos", e deixou claro que non vai pedir que nen o alcalde de Lugo --Xosé López Orozco do PSdG-PSOE-- nen os rexedores do PP implicados e aínda no cargo --o da Coruña, Carlos Negreira; e o de Compostela, Ángel Currás-- poñan o cargo a disposición das súas organizacións políticas. "É un discurso que veño repetindo desde hai catro anos", dixo, en referencia á petición de respeito pola presunción de incocencia e "de celeridade e transparencia" nos procesos xudiciais destas características para evitar "xuízos paralelos". Un ex concelleiro do PSdG-PSOE, fascinado co caciquismo de Baltar O informe de Vixilancia Aduaneira confirma que López Orozco cobrou un sobresoldo mensal de Vendex que ascendía a 2.000 euros e que Francisco Fernández Liñares, ex-concelleiro lucense e presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, chegou a lle manifestar ao rexedor a súa admiración pola forma de facer política do ex presidente da deputación de Ourense, José Luís Baltar, porque "un cacique é un xestor da cercanía". A respeito de todas estas informacións contidas no sumario da Pokemon, Besteiro considerou que "poden producir incerteza" mais volveu insistir en que non vai pedir demisións. "Non as pedín nen cando había casos que afectaban ou afectan ao Partido Popular porque creo que non se debe interferir na esfera xudicial e hai que contribuír a esclarecer a verdade", explicou o socialista. |
NOS_21564 | Milleiros de persoas ateigaron o sábado a praza de touros de Valencia na Festa per la Cultura, Homenatge a València, que a Acció Cultural del País Valencià recuperou após 16 anos de prohibicións por parte das autoridades valencianas. | Medio cento de actuacións musicais e representacións da cultura popular participaron na Festa per la Cultura de Valencia, que non tiña lugar desde o ano 2000. E é que as autoridades valencianas denegaron ano tras ano os permisos para esta conmemoración nacionalista. No acto, que se prolongou durante máis de sete horas nas que houbo música, creatividade e cultura popular, a organización recoñeceu o labor de todas as persoas que loitaron pola lingua e a cultura. Entre os asistentes atopábase Lluis Llach, quen fora o derradeiro artista en participar no acto de Acció Cultural na praza de touros no 2000, ano desde o que non podía ter lugar a actividade. O presidente de Acció Cultural do País Valencià, Joan Francesc Mira, agradeceu o apoio de todas as persoas que apoiaron a organización "en tempos moi duros de represións e multas". Apelou a "un proxecto de país mellor: facer o País Valencià". |
NOS_56927 | Sanidade considera que ofrecer casa a "médicos temporais" como se optou en Sanxenxo para o verán é unha medida positiva, mais desbotouna para prazas estábeis. | Sanidade considera que ofrecer casa a "médicos temporais" como se optou en Sanxenxo para o verán é unha medida positiva, mais desbotouna para prazas estábeis —en referencia á oferta do Concello de Verín dirixida a pediatras—. Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, defendeu a oferta de Sanxenxo no Parlamento, unha proposta que busca solucionar un problema "conxuntural" durante uns meses, ademais de que, dixo, ao Sergas "non vai pór nin un euro", o que foi cuestionado polo Partido Socialista. Este debate decorreu ao ronsel da comparecencia do conselleiro no Parlamento para falar da situación da Atención Primaria, na que García Comesaña anunciou que incentivará os profesionais sanitarios que teñan que facer xornadas complementarias, atender os pacientes dun compañeiro ou dar servizo no rural. Rueda afirma que os "problemas" no Sergas "adoitan ser puntuais e non continuados no tempo" Unha batería de medidas que foi debullando após afirmar que a Primaria na Galiza "non está colapsada", que os problemas no sistema sanitario son "puntuais" e que a orixe da problemática está nunha "falta de persoal" que é, insistiu de maneira reiterada na súa intervención, responsabilidade "da outra parte", en referencia ao Goberno español. Comesaña esforzouse durante case unha hora en construír un argumentario no que a Consellaría de Sanidade, malia ter as competencias sobre o sistema sanitario galego, non tivese as responsabilidades sobre o seu estado. "Meteorito" Desde o BNG e o PSdeG centraron as súas quendas en desmontar no discurso do conselleiro e en expor no pleno as denuncias e advertencias de profesionais e usuarios sobre un deterioro da Atención Primaria que a portavoz de Sanidad nacionalista, Montse Prado, cualificou como "alerta sanitaria". "A falta de profesionais non é froito da caída dun meteorito nin tampouco dun tsunami que levou por diante todos os médicos, é consecuencia de 13 anos de recortes inmisericordes do seu Goberno", recriminou a parlamentar do BNG ao conselleiro. A deputada do BNG criticou o "falso relato" do Sergas de que agora que o problema non é de recursos senón de falta de profesionais, "cando é evidente que con menos recursos as condicións laborais do persoal sanitario empeoran e o nivel de precariedade aumenta", o que fai que prefiran outras alternativas que as que se lles ofrecen na Galiza. Nesta liña incidiu tamén o voceiro en sanidade do PSdeG, Julio Torrado, que denunciou como "os recortes de onte" e as condicións laborais "deplorábeis" de hoxe fornecen unha "tormenta perfecta" que explica a "situación límite" da sanidade galega. Torrado afeou ao Goberno galego que responsabilice o Estado da falla de médicos MIR na Galiza, "cando a Xunta renunciou a convocar 151 prazas de especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria". Mesa sectorial Mentres decorría o debate na Cámara galega, representan tes do Sergas e dos sindicatos reuníanse na Mesa sectorial. onde o Servizo Galego de Saúde puña sobre a mesa algúns dos anuncios que o conselleiro estaba a despregar no pleno. Así, o Sergas ofreceu 10.000 euros máis ao ano a médicos de Atención Primaria que prolonguen xornada catro horas e media á semana para facer fronte ao déficit de profesionais. Comesaña afirma que os problemas no Sergas "non son cuestión de pór diñeiro" Após a reunión, o responsábel de CIG- Saúde, Manuel González, dixo que a "solución" ao problema da Atención Primaria non só pasa polo incremento de retribucións, senón por "mellorar as condicións de traballo". "Non parece apropiado que se aforre diñeiro [o Sergas]. Se asumen o seu traballo, deben pagarlle o seu traballo", reivindica por parte da UXT Javier Martínez. Desde CCOO, o seu representante, Javier González, confiou en que se poida lograr un acordo en canto ás retribucións dos profesionais deste servizo. O "éxito" de trasladar un paciente grave ás presas Os temas sanitarios centraron boa parte da sesión plenaria de onte. O conselleiro debeu responder a unha pregunta do BNG sobre o traslado dun paciente en padiola e "ás carreiras" pola estrada a finais do mes pasado no Rosal até o helicóptero que o trasladaría ao hospital ante a falta de ambulancias. O titular de Sanidade defendeu ese operativo como un "exemplo de éxito da sanidade pública galega" e acusou os nacionalistas de procurar "denigrar o nosos sistema sanitario". O deputado nacionalista Manuel Lourenzo lembrou que "até en catro ocasións" nun mes tivo que ir o helicóptero de emerxencia do Rosal ante a falta de medios. "O que sucedeu foi inadmnisíbel", remarcou. Endometriose A última moción de carácter sanitario do pleno de onte foi relativa á endometriose, defendida pola deputada nacionalista Montse Prado, unha doenza que afecta 60.000 galegas. A moción aprobada por unanimidade demanda instar a Xunta a que, antes de rematar esta lexislatura, se elabore unha guía galega de atención á endometriose. Aliás, pídese que se comprometan partidas orzamentarias específicas para a loita contra a doenza. Lei para "uniformizar" prestacións sanitarias O Consello de Ministros aprobou onte o anteproxecto da Lei de Equidade do sistema estatal de saúde. A norma pretende limitar a diferenza de prestacións en función do territorio do Estado español. Fontes do Ministerio de Sanidade recoñeceron á prensa madrileña que a finalidade última é a de "unificar a carteira de servizos en todo o Estado". Segundo a titular da carteira de Sanidade, Carolina Darias, a lei vai fechar féchase a porta a novos copagamentos e amplía a asistencia sanitaria universal. O Consello de Ministros tamén aprobou onte un Plan de saúde bucodental, dotado con 44 millóns de euros, e do que se beneficiarán por volta de sete millóns de persoas en todo o Estado. |
NOS_7653 | O ritmo de altas diminúe respecto ao sábado e a sexta feira, segundo os datos fornecidos pola Dirección Xeral de Saúde Pública. Na última xornada rexistráronse 65 novos contaxios, segundo a información publicada polo Ministerio de Sanidade. | Galiza rexistra un total de 3.187 casos activos por coronarivus, segundo o último informe publicado pola Dirección Xeral de Saúde hoxe En cómputos totais, no país contabilizáronse 48 positivos menos. As Unidades de Coidados Intensivos contan cunha paciente menos e un total de 36 persoas ingresadas, mentres que 2.896 doentes son atendidas nos seus domicilios, 41 menos que onte. Segundo os datos do Ministerio de Sanidade, na última xornada rexistráronse 65 novos casos de coronavirus. Actualmente, o número de reprodución básico instantáneo na Galiza, é dicir o número de persoas que cada persoa enferma pode chegar a contaxiar, sitúase en 0,68. Menos de un contaxio por doente. Paralelamente, o total de pacientes que superaron a enfermidade desde o inicio da pandemia ascende supera as 6.000, concretamente son 6.075 as persoas curadas. Isto é un 1,57% de pacientes dadas de alta máis, un ritmo de recuperación menor que o rexistrado o sábado, de 2,8% de recuperacións, e na sexta feira, de 4,3%. En tanto, o total de falecementos rexistrados ascende a 567. O sábado informouse de seis pasamentos en centros hospitalarios e dous en residencias de maiores. Na mesma xornadas o Sergas informara de mudanzas nas cifras logo da revisión de varios historiais clínicos. Entre esta xornada e a anterior practicáronse 2.080 probas PCR, que detectan o xenoma do virus no corpo, ascendendo o total a 103.116. Á vez, continúa a baixada do ritmo de probas deste tipo entre a poboación, se ben non é tan acusada. A caída da pasada xornada foi de 3,6% e a da anterior 3,8%. A incidencia da COVID-19 na poboación continúa a ser maior na área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras. Mesmo cando a cifra de contaxios descende, aínda se mantén por enriba dos 200 casos por cada 100.000 habitantes, cun total de 613 positivos por coronavirus. A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue a rexistrar a incidencia máis baixa, cun total de 186 casos activos. En tanto, a de Coruña e Cee suma 771 casos; a de Lugo, Monforte e a Mariña, 222; a de Vigo, 773; a de Compostela e o Barbanza, 475 e a de Ferrol, 147 casos activos. Centros de maiores Do total de casos en residencias, Sanidade detalla que permanecen 919 casos activos, 617 entre as usuarias e 302 entre o propio persoal. Ao tempo, 41 residentes foron dadas de alta tras superar a enfermidade, ademais de sete traballadoras e traballadores. Dos falecementos rexistrados na Galiza relacionados coa COVID-19, 253 corresponden a usuarios e usuarias dos centros de maiores. A Xunta da Galiza anunciou que durante o mes de maio manterá a intervención en dous dos centros con máis casos de coronavirus activos, Domus Vi Aldán, no municipio de Cangas, e Domus Vi do Barreiro, no concello de Vigo. Mudanza nos datos da Xunta Hai cinco días, a Xunta da Galiza modificou os datos da actualización diaria da situación da COVID-19, pasando tamén a contabilizar todas as persoas curadas da enfermidade de golpe nunha mesma xornada. Isto imposibilita realizar unha comparativa no tempo da evolución da doenza na Galiza. Porén, podes seguir o reconto destes e doutros datos, incluíndo as mudanzas no protocolo da Xunta, nesta infografía de Xan Sabarís para Nós Diario. |
NOS_7401 | Foi un conflito de subsistencias no marco dunha crise xeral do sistema capitalista. Porén, na Galiza non se pode disociar das vagas sociais de fondo ligadas aos núcleos provincialistas, aínda activos após a derrota da revolución de abril de 1846. O capítulo galego da recesión mundial de 1847, aquela que analizou Karl Marx nun apartado dos 'Grundisse', testou máis unha vez o papel decisivo das mulleres na organización e dirección da protesta social. | Acrise de 1847 na Galiza expresouse nun problema de subsistencias, ao dispararse o prezo dos cereais como consecuencia dunha caída da produción, dun aumento das exportacións para un mercado europeo con dificultades de abastecemento e dunhas prácticas comerciais que favoreceron o acaparamento e a especulación. As protestas foron a resposta a unha situación social moi complicada. O xornal madrileño El Clamor Público, no seu número de 24 de marzo, após caracterizar a situación da Galiza de "precaria e angustiosa", sinalou que "a notábel extracción de froitos que se observou na Galiza dalgúns meses a esta parte fixo subir sensibelmente os prezos, privando dos mesmos a moitos". Neste sentido, o historiador Pedro Díaz documentou para Galiza en 1847 unha alza na cebada de 29,59%, no trigo de 10,8% e no millo de 9,4%. Unha revolta nacional As razóns profundas das mobilizacións escaparon á conxuntura económica concreta, como aconteceu na práctica totalidade dos motíns de subsistencias. A este respecto, o historiador marxista británico Eduard Palmer Thompson escribiu que "o motín non é unha resposta natural ou obvia á fame senón unha complexa pauta de comportamento colectivo, unha alternativa colectiva ás estratexias de supervivencia individualistas e familiares. Desde logo os amotinados a causa da fame están famentos, pero a fame non dita quen debe amotinarse nin as formas do motín". A revolta tivo un carácter nacional. Se os principais núcleos urbanos do país foron escenarios dunha gran conflitividade, documentada nas crónicas de prensa da época, outro tanto aconteceu no ámbito urbano ou vilego. Así, por exemplo, para as comarcas de Compostela, O Barbanza e O Salnés, El Eco del Comercio, no seu número de 23 de abril, deu conta das "protestas vividas no mes pasado en Padrón, Rianxo, Vilagarcía e Carril". Nunha liña semellante, El Clamor Público referiuse o 29 de marzo ás tentativas "das mulleres de Ribadeo e Viveiro para impedir a saída de embarcacións con cargamento de millo". As primeiras mobilizacións vivíronse na comarca viguesa entre o 11 e o 12 de marzo. Segundo o xornal madrileño El Católico, "hai días que comezou na vila de Baiona unha conmoción feminina opóndose á venda de millo. De aí, saltou a Vigo, onde unha porción de mulleres atacaron os depósitos, particularmente dun tal Tapias, onde cometeron varios excesos. Esa mesma esixencia imitouse en Ponte Sampaio, para impedir o embarque dunha porción de gran". A mesma publicación, na súa edición de 22 de marzo, deu conta do cese das desordes "pola urxencia das autoridades a empregar a forza, roldando pola cidade a cabalaría e pola baía botes aramados da fragata Isabel II, con cuxas disposicións se contivo o populacho". Unhas protestas polo "pan e pola paz" O 13 de marzo ergueuse Pontevedra. Segundo recolleu El Católico "hoxe, que se celebraba nesta capital feira, as mulleres do barrio da Moureira atacaron dous almacéns con pedradas e insultos". Pola súa banda, El Clamor Público, após denunciar "unha man oculta tras os sucesos" de Pontevedra, afirmou que "unha porción de mulleres proletarias foron as que apareceron na vangarda da asonada, as que armadas de navallas acometen e rachan os sacos das infelices aldeás". A protesta nesta comarca só foi derrotada polo emprego masivo da forza pública e procedementos xudiciais contra as dirixentes. O estoupido demorouse en Compostela até o 17 de marzo. O correspondente de El Clamor Público na cidade escribiu que "esta mañá atopábanse mulleres no almacén do gran público agardando a mercar, chegaron algunhas cargas e apoderáronse coma sempre os especuladores: a multitude medrou instantaneamente, desfixo os sacos con navallas e coitelos, e até algunhas mulleres na súa carraxe, á falla destas armas, fixérono cos dentes". As manifestantes dirixíronse a continuación á vivenda do comerciante Nicolás Fariña, "onde derrubaron as ventás e destruíron varios móbeis a pedradas" O cronista de El Clamor Público non tivo dúbidas sobre a orixe do conflito. Na súa opinión, as causas responderon "ao aniquilamento de todas as clases, ao desgusto de verse privadas do preciso sustento dos seus familiares para satisfacer inmensas contribucións, e até ao descontento de ver arrebatadas cuantiosas sumas de cereal para soster países estranxeiros: son os verdadeiros artífices da revolta". O liderado popular das mulleres foi decisivo na revolta galega de 1847. A participación e a dirección feminina foi a norma nos motíns de subsistencias tan característicos das formacións sociais de carácter precapitalista, sinalando Thompson que "as mulleres foron habitualmente líderes de opinión na comunidade e as que iniciaron as accións; ás veces foron as únicas executantes das accións e os homes secundáronas para amosar a súa solidariedade con elas". A súa decisión ficou testada en diversos episodios do conflito. Por exemplo, en Compostela, tal e como sinalou El Clamor Público, enfrontáronse ao exército "o comandante militar Don Julio Bascaran e algunha forza armada que vimos retirarse dúas ou tres veces polas pedradas de máis de 800 mulleres reunidas sen retroceder un só paso ao aspecto impoñente de cargar os fusís á súa vista e disparar tres tiros. O comandante militar abriuse paso na multitude e dirixiulles a palabra nestes termos: 'Queren vostedes a guerra' e contestóuselle 'nós queremos a paz e o pan'". A peor parte da represión recaeu nas mulleres. Un caso ben significativo foi o acontecido en Vigo, onde, segundo El Católico, "mulleres de Vigo, Baiona, Redondela e Ponte Sampaio foron confinadas no cárcere, atopándose en agarda da resolución pola que se procesaron" |
NOS_3403 | No acto tamén participarán José Vázquez Fouz, representante do PSdeG na chamada Comisión dúas 16, a que redactou o texto estatutario; así como Margariña Valderrama, membro da executiva do PSDEG naquelas datas. | O Partido Socialista de Galicia celebrará este sábado un acto de conmemoración do 40 aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia, para o que contará cos expresidentes socialistas da Xunta Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño. Diso informou o PSdeG, que sinala que co seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, á fronte pon en valor o papel dos socialista no Estatuto de Autonomía e reafirma o seu "compromiso galeguista e co autogoberno", o mesmo que "levou ao partido a contribuír á elaboración dun texto estatutario de primeira para Galicia". O PSdeG destaca que é o único partido dos que actualmente teñen representación na Cámara galega que participou na redacción da carta estatutaria en 1981. "Sempre estivemos nos momentos clave defendendo a Galicia cun claro compromiso galeguista e coa autonomía", sinalou Gonzálo Caballero. No acto tamén participarán José Vázquez Fouz, representante do PSdeG na chamada Comisión dúas 16, a que redactou o texto estatutario; así como Margariña Valderrama, membro da executiva do PSDEG naquelas datas. Tamén tomarán a palabra o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e Noa Díaz, deputada autonómica e coordinadora do libro 'A esforzada conquista dá autonomía'. |
PRAZA_19118 | Iso ensinóunolo moi ben o 15M, e xa moito antes tamén o Nunca Máis: acádase o apoio maioritario da sociedade cando se permite o seu empoderamento, cando non se lle trata como menor de idade e todas participamos en pé de igualdade. | Rematado o ciclo electoral ábrese ante nós unha nova etapa. Durante estes anos fomos moitas as que nos sentimos interpeladas para afrontar este momento. Ilusión, responsabilidade histórica, compromiso social... Moitas son as razóns polas que centos de persoas en Galicia decidimos aportar o noso gran de area dunha ou doutra maneira, participando activamente desta carreira frenética para asaltar as institucións. Sobrevoando en todo momento esa sensación de que o momento é agora, xuntámonos xentes con distintas experiencias e sensibilidades co obxectivo de poñer as institucións ó servizo da xente. Durante os últimos anos xuntámonos nas vilas e cidades para artellar mareas municipalistas, construímos distintos espazos orgánicos, lanzamos En Marea para as Xerais, e despois a candidatura para asaltar a Xunta, e aínda que todas coincidiremos en que queriamos máis, tanto co funcionamento dos espazos orgánicos como nas citas electorais, en pouco máis de dous anos nin tan mal. Durante todo este tempo o propio ciclo electoral foinos marcando a axenda, as présas e a falta de rodaxe no que chamamos nova política (non sei se ben ou mal, ese é outro debate), impediunos, na maioría dos casos, poñer en práctica de maneira eficaz as metodoloxías que entendemos por esa nova forma de facer política. Moitos manifestos, modelos organizativos, códigos éticos e documentos políticos fixemos sobre os principios de participación, democracia e transparencia, e moitos destes traballos fixéronnos sentirnos orgullosas. Con moitas dificultades iamos atopando camiños que nos empurraban a seguir avanzando, pero nos momentos finais, cando tocaba conformar os órganos ou as candidaturas, a pantasma da vella política, esa sorte de fontanería de partes, ou de partes de partes de partes, aparecía afastándonos das metodoloxías que pretendiamos poñer en práctica, quedando sempre con esa sensación de que estamos nunha parada no camiño obrigados polas circunstancias, e para a próxima o faremos mellor. Case sempre nos faltou feminización, entendida non só como participación feminina nos espazos máis relevantes, que é evidente que tamén, senón como esa nova forma de facer política, cooperar, ser xenerosas, xerar espazos amables para facilitar a participación, respetar os órganos lexítimos como espazo de toma de decisións e non operar en pequenos conclaves, practicar a escoita activa, respectar o disenso e a pluralidade, aproveitar a intelixencia colectiva. E sobrounos testosterona, lóxicas de cotas e competición. O ciclo electoral co proceso en fase embrionaria foinos marcando metas a meses vista, restándonos capacidade para a mirada longa e o debate sosegado. Cada momento importante enfrontámolo como se fose o último, como se esa fose a nosa meta, lóxica comprensible nun tempo electoral de conformación dos espazos e candidaturas, pero a realidade é que isto acaba de comezar e todo está por facer. A unidade dende a diversidade, a construción de pobo, de comunidade, a vertebración da maioría nova de cambio en Galicia, baixo o meu punto de vista, pasa por poñer en práctica metodoloxías abertas, participativas e democráticas en cada paso importante, no que a maioría se sinta interpelada e poida participar en pé de igualdade, e dende logo que se pode. A principios do ano pasado varias mareas municipais impulsaron un proceso que demostrou que é posible en Galicia practicar esa política empoderadora da cidadanía e vertebradora da pluralidade. As que participamos de Mareas en Común, fomos testemuñas de que se pode poñer en marcha un proceso para feminizar o espazo de unidade. Mareas en Común puxo en práctica verdadeiramente iso que denominamos nova política. Plenarios periódicos para o debate e a posta en común, grupos de traballo participativos para ir xerando documentos marco, métodos de facilitación do traballo colectivo e da vertebración da pluralidade e cooperación, moita cooperación. Un proceso que nos demostrou que é posible facer as cousas de maneira diferente, pero claro, os vellos centros de decisión deben dar un paso atrás e sumarse en pé de igualdade, pois este tempo novo precisa de métodos novos. Iso ensinóunolo moi ben o 15M, e xa moito antes tamén o Nunca Máis: acádase o apoio maioritario da sociedade cando se permite o seu empoderamento, cando non se lle trata como menor de idade e todas participamos en pé de igualdade. O proceso de conformación do espazo de unidade popular, onde quedan tantos debates por dar, é complexo e non se trata de autoflaxelarnos nin buscar responsables, pois a responsabilidade recae sobre o colectivo, se non de reflexionar e aprender do andado, do que si fomos quen de acadar, para insistir e reforzar, e do que non, para traballar xuntas na procura de solucións. Abrirnos á participación, decidir colectivamente, afondar nas metodoloxías horizontais e de empoderamento cidadá. Construír Pobo vai máis alá de unir ás que pensan igual na maioría das cuestións fundamentais, vertebrar unha maioría nova empoderando á cidadanía é moito máis radical. Agora tamén toca debate político, deixar de mirar o embigo e comezar a discutir o País que queremos, de maneira colectiva, para que no próximo ciclo electoral poidamos ofrecer certezas á cidadanía, poder mostrar un proxecto solvente, que xa madurou e que está en disposición de aplicar as medidas que precisamos. Existe unha maioría social que compartimos análise pero de momento non compartimos novo proxecto de país e aínda non ofrecemos as certezas precisas para acadar un apoio maioritario, e ese é o reto que temos agora por diante, recuperando o espírito e as metodoloxías de Mareas en Común, que é a continuidade no campo institucional do espírito do 15M, do Nunca Máis, das Marchas da Dignidade, das mareas en defensa dos Servizos Públicos, da PAH... eses movementos cos que xa acadamos na rúa consensos maioritarios, unidade cidadá e a esperanza de que si se pode. |
NOS_30466 | Apenas 16% dos que prolongan a xornada laboral son retribuídos por ese tempo. | Máis de 294.000 persoas realizan habitualmente en Galiza horas extras, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Son por volta de 38% das persoas ocupadas no noso país. Desas 294.000 persoas que prolongan habitualmente a súa xornada laboral, apenas 16% delas reciben retribución a cambio. É dicir que se lles pagan esas horas extra ou ben se lles retribúen con libranzas outro día ou outros tipos de compensacións. A porcentaxe de persoas que non reciben ningunha retribución por esas horas de máis é do 59% das que as teñen que facer habitualmente. Isto é, 170.000. Un 25% afirma que ocasionalmente si que se lles compensan esas horas extras. No 2015 realizáronse no estado español un total de 327 millóns de horas extras. Unha media de 6,3 millóns á semana. Desa cantidade semanal, a maior parte (por volta de 3,5 millón) non se retribúen. Nun con cartos nin con tempo de descanso. Algo que se fai só en 2,8 millóns de cada 6,3 millóns de horas de exceso de xornada que se realizan á semana. 56% das horas extras que se fan no estado español non se pagan. Ou sexa, perto de 183.120.000 horas anuais sen retribuír. Ese 56% de exceso de xornada que non se paga supón un aumento considerábel a respecto do que a propia enquisa e estudos marcaban no 2008. Daquela, esa falta de retribución afectaba ao 32% das horas extras realizadas. Coa crise, e así se recolle nun estudo elaborado por Comisións Obreiras a nivel estatal, deuse unha redución nas horas extras. Mais non en todas as horas. Reducíronse as pagas mentres que as non retribuídas non varían. Así, de 2008 a 2015, "con dous millóns menos de traballadores continúan a se realizar un volume similar de horas extras non pagas, ao tempo que as compensadas reducíronse á metade". Un documento sobre esta cuestión, elaborado polo PSOE no 2014, situaba Madrid e Galiza mo os dous territorios do estado español con maior porcentaxe de horas extras ilegais: 14,6 e 13,6% respectivamente. Unha porcentaxe sensibelmente superior á de Catalunya, Euskadi ou Nafarroa, que andaban polo 4%. |
NOS_42805 | As autoridades sanitarias informaron na tarde desta segunda feira, 3 de xaneiro, do pasamento dunha ducia de persoas que fora diagnosticada da Covid-19. Os falecementos decorreron en diferentes días de decembro e xaneiro. | A Consellaría de Sanidade notificou a última hora desta segunda feira o falecemento de 12 persoas por causa das complicacións do coronavirus. Malia que a maioría padecían enfermidades previas que dificultaron que superaran a Covid-19, tamén foi vítima da pandemia un home de 50 anos que non tiña outras patoloxías. As autoridades sanitarias da Galiza confirman agora que un deceso do día 22 que tivo lugar no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) estivo vinculado ao coronavirus. En concreto, finou un varón de 86 anos. O resto da ducia de mortes decorreu nos últimos días, coincidindo co cambio de ano. En concreto, o pasado día 30 de decembro notificouse o óbito dunha doente de 91 anos no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Xusto unha xornada despois, antes de fechar 2021, os equipos sanitarios comunicaron que non superara a enfermidade unha paciente de 93 anos que fora trasladada desde a Residencia A Carballa de Coles ao hospital de Ourense. Igualmente, foi en Fin de Ano cando se confirmou o deceso dun varón de 50 anos que permanecía ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e que non tiña patoloxías previas. Oito vítimas en 2022 Malia que aínda non pasaron nin tres días completos desde que comezou 2022, o coronavirus xa provocou a morte doutras oito persoas, catro homes e catro mulleres. Segundo Sanidade, o pasado sábado perderon a vida unha residente da Servisenior de Brión de 79 anos que estaba baixo seguimento no hospital de Compostela, un doente de 89 anos que era atendido no HULA e outro varón, neste caso de 94 anos, que ficaba no Hospital de Burela. Este domingo sumáronse outros tres decesos: o dunha muller de 95 anos no hospita de Ferrol; e os de dous homes de 88 anos no CHUAC e no CHUVI, respectivamente. Á hora de comunicar os novos falecementos, nesta segunda feira non superaran o virus unha paciente do Hospital do Salnés de 84 anos e outra do Hospital Virxe da Xunqueira que tiña 94 anos.Con estes últimos datos, a pandemia xa provocou 2.782 vítimas no país. |
NOS_39721 | Está acompañado na vicepresidencia polo guionista e produtor Pepe Coira e a actriz e cineasta Sonia Méndez. | Álvaro Pérez Becerra (A Coruña, 1989) foi elixido por unanimidade novo presidente da Academia Galega do Audiovisual (AGA), na asemblea xeral que decorreu o 4 de xuño. Está acompañado na vicepresidencia polo guionista e produtor Pepe Coira e a actriz e cineasta Sonia Méndez. Unha nova etapa, indican dede AGA, na que repite a anterior xunta directiva: Carmen Méndez na tesoureiría; Saamira Ganay na secretaría; Óscar Cruz, Susana Veira e Xavi Font nas vogalías, cargo que tamén asume a presidenta saínte Ana Míguez, e Fernando Alfonsín, que entra no equipo en substitución da actriz Isabel Naveira. Convértese así no presidente máis novo das oito academias de cine e audiovisuais que existen na península. Un dos seus desexos para o mandato é que "moitas rapazas e rapaces que agora rematan de estudar e pensan na posibilidade de dedicarse a isto non vexan tan lonxe ese obxectivo. Como sector temos tamén o reto de buscar as fórmulas para incorporar talento novo constantemente", indica nun comunicado. O novo presidente sintetiza as metas desta nova etapa cun obxectivo principal: "Reivindicar a importancia do noso sector a través do entendemento entre todas e todos os que formamos parte del ". Un dos primeiros retos da nova presidencia vai ser a celebración do vixésimo aniversario dos premios Mestre Mateo en 2022: "Gustaríame que a celebración tivera algo de agradecemento, outro tanto de reinvindicación, para ser conscientes da importancia de ter chegado ata aquí, e moito de futuro, porque soará a tópico, pero estou convencido de que o mellor non chegou aínda". Álvaro Pérez Becerra traballa, desde o 2010, en proxectos de audiovisual e artes escénicas a través das produtoras Ainé Producións e Undodez, da man do actor e cómico Xosé A. Touriñán. Como director de produción participa en diferentes formatos de ficción e entretemento para televisión, que compaxina coa produción de espectáculos de artes escénicas e coa produción audiovisual para publicidade desde a axencia Metronoventa. Tamén coordina o traballo de produción de Medio Limón, a produtora de Marta Hazas e Javier Veiga. En Castelo (Culleredo), participa na organización do festival Castelo Conta, que cada verán pon en valor a tradición oral e a cultura no rural a través da comedia. Un dos seus proxectos máis recentes, a adaptación teatral do ensaio xornalístico de Nacho Carretero, Fariña, ven de obter cinco candidaturas finalistas nos Premios Max das Artes Escénicas. |
PRAZA_15361 | Rexeitan o despedimento de 85 persoas en Galicia (dun total de 450 empregados indefinidos), co peche definitivo dos establecementos de Ferrol e Verín e o parcial, de 5 meses ao ano, nos de Tui, Vilalba, Monforte e Santo Estevo. | A primeira xornada de folga nos Paradores contra o ERE que se prepara desde a dirección da empresa pública tivo seguimento do 90% en Galicia. A gran maioría dos empregados estiveron ademais concentrados ao longo de todo o día xunto aos establecementos. Rexeitan o despedimento de 85 persoas en Galicia (dun total de 450 empregados indefinidos), co peche definitivo dos establecementos de Ferrol e Verín e o parcial, de 5 meses ao ano, nos de Tui, Vilalba, Monforte e Santo Estevo. Isto obrigará a 119 traballadores destes centros a pasar os seus contratos de indefinidos a fixos descontinuos, coas repercusións que esa modificación ten para os seus ingresos e cotizacións. A secretaria de Estado de Turismo, Isabel Borrego, valoraba a xornada de folga como "unha irresponsabilidade", xa que a situación económica dos paradores españois "é moi difícil" e, ao seu xuízo, os sindicatos "terían que loitar pola conservación dos postos de traballo e non polos en perigo". O Parador de Ferrol carece de dirección dende hai meses, pois o director do Hostal dos Reis Católicos se ocupa tamén da dos paradores de Ferrol e Vilalba Os traballadores e traballadoras denuncian en primeiro lugar que boa parte dos establecementos que se pretende pechar teñen beneficios. O de Baiona, por exemplo, gañou ao redor dun millón de euros o pasado ano. De igual xeito os 30 traballadores e traballadoras do Parador de Ferrol consideran que os niveis de ocupación do Parador de Ferrol -un 60%- non xustifican a medida. Durante o pasado 2011, o Parador de Ferrol vendeu 7.862 habitacións e no que vai de ano facturáronse 7.531. E iso a pesar de que o centro carece de dirección dende hai meses, pois o director do Hostal dos Reis Católicos se ocupa tamén da dos paradores de Ferrol e Vilalba. Os traballadores denuncia tamén a "inhibición" da Xunta, que afirma que non ten notificación oficial do peche e limitase a expresar a súa esperanza en que a iniciativa privada sexa quen de garantir a supervivencia dos Paradores Os traballadores denuncia tamén a "inhibición" da Xunta, que afirma que non ten notificación oficial do peche e limitase a expresar a súa esperanza en que a iniciativa privada sexa quen de garantir a supervivencia dos Paradores. Neste senso o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, achegouse este venres até onde se atopaban concentrados os traballadores do Parador de Monterrei para trasladarlles o seu "apoio" e dicirlles que a iniciativa privada pode solucionar a situación. Na concentración participaron a deputada socialista Laura Seara, o senador Miguel Fidalgo e o secretario provincial do PSdeG-PSOE Raúl Fernández. Pola súa banda, o deputado do PSdeG Xosé Antonio Sánchez Bugallo considerou "un escándalo" o plan de viabilidade de Paradores que "castiga especialmente" a Galicia, Alternativa Galega de Esquerda presentou o martes unha iniciativa para que a Xunta de Galicia interveña na súa defensa. No texto pregúntase se o goberno de Núñez Feijóo coñecía os plans da rede pública de hospedaxe e que ten previsto facer. |
PRAZA_9172 | O novo etiquetado dos produtos lácteos obriga a mostrar a procedencia do leite, aínda que non aclare sempre o Estado produtor nin esixa determinar se é galego. O importe pagado aos gandeiros en Galicia mantense como o menor do Estado mentres se pechan 40 granxas ao mes. | Desde este pasado martes, todos os produtos lácteos que se produzan e comercialicen en España deben amosar de xeito claro e visible a orixe do leite co que foron elaborados. A aplicación do Real Decreto 1181/2018 sobre a etiquetaxe supón cumprir cunha das históricas demandas dos produtores. É unha medida importante que, no entanto, non supón un impacto decisivo no caso galego, ao non implicar unha maior especificación que a procedencia estatal nun mercado, o español, deficitario. E todo mentres en Galicia os gandeiros seguen a cobrar os prezos máis baixos do Estado: case céntimo e medio por litro menos que a media estatal e catro por baixo da media da Unión Europea. Desde o pasado martes 22, todos os produtos lácteos producidos e comercializados en España deben amosar o lugar da orixe do leite co que foron elaboradosO novo etiquetado debe indicar a orixe do leite utilizado en todos os produtos nos que este supoña unha porcentaxe superior ao 50% respecto do total dos ingredientes. Afecta tamén, xa que logo, a nata, iogures, manteiga, queixos ou requeixo. En todos estes casos, as etiquetas deberán incluír claramente tanto o "país de muxidura", onde o leite foi muxido, como o "país de transformación". No caso de coincidir ambos lugares, as mencións anteriores poderanse substituír pola seguinte: "Orixe do leite (lugar onde foi muxido e transformado)".Ademais, a normativa aclara que o lugar de muxidura e de transformación indicaranse mediante referencia a unha das zonas xeográficas seguintes: "Estado(s) membro(s) ou terceiro(s) país(es)"; ou "UE" ou "fóra da UE" ou "UE e fóra da UE"; ou "España", neste último caso, sempre que o Estado de muxidura e de tranformación "sexa exclusivamente España, non puidendo substituírse pola expresión "UE". Daquela, se o produto foi obtido e elaborado fóra da Unión Europea levará a etiqueta "Fóra da UE" e só se a muxidura e elaboración teñen lugar en España, levará a nomenclatura "España". No caso de que o proceso sexa mixto, as opcións inclúen non especificar país obrigatoriamente. A normativa non esixe detallar se o leite é galego e tampouco obriga a indicar especificamente a orixe española se a muxidura ou a transformación non se levan a cabo no Estado"Etiquetar con claridade a orixe dos alimentos é un mínimo básico dos dereitos dos consumidores, pero é insuficiente tal e como o deseñan; iso de "UE" e "fóra da UE" non semella dabondo e non cremos que valla para moito", explica Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), que cre que hai demasiado boato para unha medida que non considera demasiado efectiva. "No caso galego, que poña que a orixe é España non vai achegar nada porque, no caso do leite líquido e ao sermos un país deficitario, é evidente que a inmensa maioría do produto ten a súa orixe no Estado. Deberíase pormenorizar máis", engade. O Real Decreto permite, se así o desexan as empresas, "completar as indicacións obrigatorias establecidas" con "información adicional máis precisa do lugar de procedencia rexional ou territorial do leite". Pero nin é esixido nin muda moito o panorama en Galicia, onde a marca da Xunta Galega 100% xa se inclúe de xeito voluntario no leite producido no país. "E nin tan sequera funciona", critica Vilalba, que cre que se "debería ir máis aló" cunha etiquetaxe "máis completa" e "sen ambigüidades como as que se permiten agora". "Agora poderase ter acceso con garantía de orixe certificada a elaborados, segundo un estándar que é referente na UE. Mercando leite con certificación de orixe estarás contribuíndo a que os gandeiros poidan percibir unha renda digna pola súa produción", explica Unións Agrarias (UUAA). "Loitamos moito desde a nosa organización para conseguir o etiquetado en orixe", asegura o secretario de gandeiría da UPA e dirixente de Unións Agrarias (UUAA), Román Santalla. No entanto, aclara que a organización está "contenta" pero "a medias" porque "seguen a pechar explotacións lácteas por falta de prezos xustos". No caso de Galicia, a situación non cambiou moito nos últimos anos malia medidas que Isabel Vilalba considera de "maquillaxe" e que "nunca van ao fondo da cuestión". Así, cita os acordos de sustentabilidade, o plan de defensa do sector lácteo --"do que nada se sabe", di-- ou a etiquetaxe en orixe "chega de ambigüidades" como exemplo de medidas pouco ou nada efectivas. Os prezos pagados polo leite aos produtores galegos sitúanse a niveis de hai sete anos. Segundo os últimos datos facilitados polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), de novembro de 2018, o importe medio é de 31,9 céntimos, un dos máis baixos da UE e o máis baixo de España, a case catro céntimos da media comunitaria (35,87), a case 1,5 da media estatal (33,3) ou tres por baixo de, por exemplo, Asturias. O prezo medio do litro de leite en Galicia é de 31,9 céntimos, catro céntimos por baixo da media da UE e 1,5 por baixo da media estatalOs prezos actuais apenas permiten atravesar por pouco o limiar dos 31 céntimos, no que se sitúa a fronteira mínima a partir da cal é posible producir sen perder cartos. Segundo denuncia o SLG, o diferencial que existe entre o prezo medio do leite na UE e en Galicia supúxolles ás granxas galegas unhas perdas de 66 millóns de euros en 2018, unha media de 5,5 millóns ao mes. O sindicato advirte dun panorama "desolador" de compararmos o importe co doutros países e rexións produtoras. Así, só hai sete Estados da UE onde o prezo medio baixe dos 32 céntimos onde se sitúa Galicia: Bulgaria, Romanía, Hungría, Lituania, Letonia, Eslovaquia e Portugal. No outro extremo, algúns dos principais produtores de leite da UE, con prezo medios en novembro de 2018 como os de Irlanda (39'04 céntimos), Holanda (37'25), Italia (37'08), Alemaña (37'16), Austria (38'68), Bélxica (35'69), Dinamarca (37'93) ou Francia (36'73).Malia que as previsións son que estes prezos elevados se manteñan ou suban en Europa polo incremento do valor da manteiga, en Galicia non se albisca mellora. Segundo denuncia o SLG, "as industrias non teñen pensado repercutir a revalorización do leite nas granxas, polo menos non segundo o incremento de beneficios que elas están a recadar". Segundo di, varias empresas están a acelerar a sinatura de contratos coas explotacións antes de que expiren os vixentes e deu que os prezos suban máis a nivel internacional. E fano con incrementos "moi pobres", de entre 1 e 1,5 céntimos. "Se temos en conta a suba nos custos de produción e o aumento do valor do leite nos mercados internacionais, ese cativo aumento pódese considerar como unha revisión dos contratos á baixa", explica a organización. "Sentímonos desamparados e a expensas dun l'obby' de industrias que queren que Galicia siga a ser fornecedora de leite barato""Cando caen prezos a nivel internacional, dinnos que hai que adaptarse ao mercado, e cando soben no mercado internacional, en Francia, Alemaña ou Irlanda soben os prezos pero en Galicia mantéñense á baixa", reflexiona Isabel Vilalba, que di que os gandeiros séntense "desamparados e a expensas dun lobby de industrias que queren que Galicia siga a ser fornecedora de leite barato". Así, o SLG acusas a Consellaría de Medio Rural de "seguir totalmente despistada sen facer absolutamente nada diante desta situación" e pide que convoque os axentes do sector nunha nova Mesa do Leite para que as industrias "repercutan no prezo do leite das granxas galegas as subas que se están a experimentar dende hai meses en toda a UE".Galicia perde 40 explotacións gandeiras cada mesAo tempo, seguen a desaparecer granxas en Galicia. En novembro do pasado ano, segundo os datos do FEGA, había 465 menos que un ano antes, pasándose das 8.057 de finais de 2017 ás 7.592 da actualidade. Supón un descenso de case o 6% e o peche medio de 40 explotacións gandeiras cada mes. |
PRAZA_2232 | BP terá que pagar a maior multa da historia do país norteamericano pola explosión dunha plataforma petrolífera en 2010. Pola contra, o que a aseguradora do Prestige deberá achegar como indemnización, en virtude da sentenza de 2013, non cobre nin sequera as custas do proceso | British Petroleum (BP) terá que pagar 18.571 millóns de euros como indemnización polos danos ambientais causados pola explosión en 2010 da plataforma Deepwater Horizon no Golfo de México, no que se converte na multa máis elevada pagada nunca nos Estados Unidos. A cantidade, pactada entre a empresa, o Departamento de Xustiza estadounidense e cinco estados do sur do país (Alabama, Florida, Luisiana, Mississippi e Texas), súmase ás multas e custes dos traballos de limpeza pagados anteriormente pola compañía. Un total de case 48 mil millóns de euros, aos que haberá que engadir o que BP lle pague aos pescadores mexicanos afectados pola vertedura de petróleo. A cantidade total pagada por BP en forma de multas ou traballos de limpeza rolda os 48 mil millóns de euros A resolución deste caso contrasta co sucedido en Galicia coa marea negra do Prestige. A sentenza ditada en 2013 absolveu a case todas as partes implicadas e fixou unicamente unha indemnización de 22,7 millóns de euros a pagar pola aseguradora, que aínda non foi repartida. A proceso, ademais, completouse en cinco anos no caso do Golfo de México, menos da metade dos que houbo que agardar para coñecer a sentenza do Prestige. En opinión de Greenpeace, a resolución do caso de BP é un exemplo de que "contaminar sae máis barato segundo onde se faga" En opinión de Greenpeace, a resolución do caso de BP é un exemplo de que "contaminar sae máis barato segundo onde se faga". Para Anova, pola súa banda, o sucedido nos Estados Unidos "contrasta coa absoluta incapacidade demostrada polo Estado español logo da catástrofe do Prestige". Ademais da "ridícula e insultante cifra destinada pola aseguradora", Anova destaca "o fracaso das demandas do Estado español nos Estados Unidos, incapaz de sacar nada da pírrica indemnización –1.000 millóns de euros– solicitada á clasificadora do buque, a American Bureau of Shipping (ABS), que foi quen certificou o vello monoscasco do Prestige como apto para transportar o cru". A formación subliña que o Estado español gastou nese proceso "uns 31 millóns de euros en gastos xudiciais dos bufetes ianquis e 40 millóns en custes, o que sen dúbida aumenta aínda máis o ridículo feito". Para Anova, o sucedido nos Estados Unidos "contrasta coa absoluta incapacidade demostrada polo Estado español" A pasada semana a Fiscalía reclamou no Tribunal Supremo a anulación da sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que en novembro de 2013 absolveu o Estado da catástrofe provocada polo Prestige e que cualificara a xestión do Goberno central como "profesional e correcta". A Fiscalía pide así mesmo que se recoñezan indemnizacións por 4.238 millóns de euros. Unha hipotética condena do capitán por parte do Supremo podería determinar que a operadora do barco e a aseguradora do Prestige afrontasen a póliza de 1.000 millóns subscrita pola embarcación. Anova sinala que "a comparanza entre ambos os dous casos abonda para afirmar que o Estado non cumpriu, nin de lonxe, coa súa función". "Tratou por todos os medios de coller pola estrema, primeiro criminalizando á cidadanía organizada e, despois, lexislando contra ela. En xuño de 2003 publicábase o Real Decreto 4/2003, polo que, para recibir algún dos cartos destinados a indemnizacións por parte do Estado, obrigaban os beneficiarios a renunciar o inicio no futuro calquera acción, procedemento ou reclamación relativa ao sinistro do buque", explica. Engadindo que "os fondos destinados eran migallas", pois só se orzamentaron 151 millóns, pagándose ao redor de 120. |
NOS_39273 | A Rede Galega pola Investigación asegura que as traballadoras posdoutoriais están a ser "discriminadas" como consecuencia da maternidade. Así o traslada nun comunicado facendo referencia a casos concretos. | Investigal, a Rede Galega pola Investigación, vén de acusar á Xunta de levar a unha "situación de desamparo e discriminación" ás investigadoras posdoutorais que apostan na maternidade. Segundo o colectivo, ao igual que sucedeu "no pasado, as persoas pertencentes á convocatoria de Axudas Posdoutorais Xunta de Galicia 2017 que foron nais durante a duración dos seus contratos volven atopar as mesmas dificultades para continuar coa súa carreira investigadora". Nun comunicado, explican que o Executivo galego fai gala de "falta de previsión" e rexeita facer cambios na normativa para evitar unha discriminación das empregadas cando teñen un fillo ou filla. De feito, din que este tipo de situacións que impiden ou dificultan seguir avanzando na traxectoria profesional ás mulleres estanse a "converter en recorrentes dentro do sistema universitario e investigador galego". A plataforma entende que a Xunta debería pór da súa parte para que as investigadoras que tiveron permisos de maternidade poidan, despois, equipararse ao resto das persoas que solicitan as axudas na seguinte convocatoria. Unha das propostas que fai é que o tempo de baixa conte como de traballo ou que se estabelezan fórmulas para ponderar o tempo de experiencia nos seus currículums, de maneira que ser nais non implique unha "penalización nas súas carreiras". Propostas para avanzar Membros de Investigal mesmo chegaron a recorrer á Valedora do Pobo, que lles deu a razón. Ademais, se demandou unha xuntanza coas autoridades políticas para que "aclaren os termos mediante os cales van ser avaliadas e as medidas" que a consellaría de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria "ten pensado tomar para a vindeira convocatoria de axudas que supoñen a continuación da súas carreiras investigadoras e que, previsiblemente, sairá a principios do 2021". Para adiantar o acordo, a rede entregou por rexistro un documento que contén algunhas das propostas que, entenden, serían viábeis, para dar por solucionada a situación. Neste contexto de enfrontamento, piden a implicación do departamento de Emprego e Igualdade como mediador. |
NOS_5602 | Este sábado a vila da Terra da Soneira recreará, por 24ª vez, o Asalto ao Castelo levado a cabo polos Irmandiños hai algo máis de 500 anos. Como preludio ao evento, o municipio albergará multiples e diversas actividades culturais. | O campesiñado de Vimianzo xa está preparado para asediar a fortificación Torres de Martelo e vencer, un ano máis, aos burgueses casteláns. Este sábado a vila alberga a 24ª edición do Asalto ao Castelo, un evento que rememora o histórico episodio da revolución irmandiña acontecido hai algo máis de medio milenio. Ademais dos actos da recreación, o municipio acollerá durante toda a semana unha chea de actividades para todos os públicos, tales como competicións e demostracións deportivas, representacións teatrais e infinidade de concertos musicais. Non obstante, os pratos fortes transcorrerán entre os días 5 e 6. O Foso do Castelo será, esta sexta feira, o escenario protagonista dos eventos. Ás 21 horas terá lugar o III Enlace Irmandiño e, ao seu remate, comezará a X Cea Medieval. Pasada a medianoite, as persoas asistentes poderán ser partícipes do tradicional Esconxuro da Queimada, bailar ao son da Requinta da Lareira e desfrutar do espectáculo musico-teatral de Blues do País. A xornada do sábado albergará infinidade de eventos durante todo o día como preludio á recreación histórica. O deporte tomará o mando da xornada de mañá e acaparará todas as olladas. Ás 12 horas dará comezo o torneo de partidas rápidas de xadrez e, quince minutos máis tarde, a demostración de técnicas de combate naval. Antes de comer tamén haberá un obradoiro de esgrima. O Castelo volverá ser o emprazamento principal das actividades nada máis comezar a tarde. As cativas e os cativos gozarán da oportunidade de reconstruír o seu propio asalto ás 16.30 horas. Media hora despois terá lugar a Concentración da Tropa co sucesivo ataque á fortificación e cunha representación teatral do acontecemento histórico. A praza do Concello acollerá, pola súa parte, o V desfile das Irmandades Parroquiais da Terra da Soneira. Este comezará ás 19.30 e será o preludio ao pregón, dado pola xornalista vimiancesa Alba Mancebo, e ao Izado da Bandeira Irmandiña. Todas aquelas persoas que queiran participar no Asalto ao Castelo deberán esperar até ás 23.30 da noite, tras a tradicional cea e a actuación do grupo Luar na Lubre. O feche desta edición poñerano as actuacións musicais de Esne Beltza, Mafalda e Skandalo Gz, as cales comezarán á 1 da mañá e continuarán ao longo da madrugada. |
PRAZA_3320 | En 2016 o grupo Sacyr solicitou permiso ao Goberno galego para verter un millón de metros cúbicos de augas residuais procedentes da mina. O director xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, foi imputado o pasado ano nun proceso aberto por un presunto delito de prevaricación ambiental. | O pasado mes de abril Augas de Galicia emitiu un Informe sobre a titularidade das presas San Finx (Lousame), nas que entidades como a Plataforma en Defensa do Mar, ADEGA ou Contraminacción levan anos denunciando a contaminación provocada ao río San Fins, que desemboca na Ría de Noia. O informe conclúe que "a xestión, explotación e mantemento das dúas presas era realizada pola empresa mineira" e que "o uso destas balsas foi de tipo mineiro e non para almacenamento de auga", a diferenza do afirmado pola Xunta en varias ocasións. O Goberno galego defendeu nos últimos anos que as presas "foron construídas con propósito hidroeléctrico"O Goberno galego defendeu nos últimos anos que as presas "foron construídas con propósito hidroeléctrico", polo que "a titularidade e a responsabilidade sobre estas obras hidráulicas debe resolvela o organismo de conca, sen prexuízo de que os materiais acumulados polas presas teñan relación coa actividade mineira". O documento únese ás análises realizadas noutros momentos por Augas de Galicia, que xa advertían na contaminación por metais pesados.O novo informe de Augas de Galicia confirma que a seguridade das présas depende dos órganos competentes en materia de minas, é dicir, da Dirección Xeral de Minas da Xunta de Galicia. Neste senso, a plataforma Contraminacción denuncia que dende o ano 2017 o Goberno galego "mentiu" á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo e ao Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, dependente da ONU. E lembra que en varias ocasións, fronte ás críticas realizadas por varios colectivos, a propia Dirección Xeral de Minas "bombardeou a estes organismos internacionais con informes repletos de afirmacións falsas que buscaban desacreditar as denuncias das asociacións ecoloxistas", unhas entidades que sufriron outro tipo de ataques.Contraminacción denuncia que dende o ano 2017 o Goberno galego "mentiu" á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo e ao Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, dependente da ONUNo seu informe Augas de Galicia conclúe que "sempre previa retirada dos áridos almacenados no vaso, debería considerarse a demolición, restaurando o DPH ao seu estado orixinal e proceder a restauración ambiental da zona afectada".O Goberno galego asegura que na mina de San Finx actuou sempre "de acordo coa lei" e seguindo estudos e criterios técnicos. A Xunta afirma que "tramita todos os seus proxectos segundo a legalidade vixente" e defende que o Director Xeral de Minas "xa deu todas as explicacións esixidas nas Comisión de Medio Ambiente".O pasado ano o director xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, foi convocado como imputado nun proceso aberto por un presunto delito de prevaricación ambiental. A finais de 2016 a empresa mineira Tungsten San Finx SL, pertencente ao grupo Sacyr, solicitou permiso a Augas de Galicia para verter un millón de metros cúbicos de augas residuais procedentes das galerías inundadas e da escorrentía das entulleiras dun histórico xacemento de estaño-wolfram. A Fiscalía advertiu que a solicitude para a devandita vertedura fixérase "sen acompañar instrumento de avaliación de impacto ambiental", aínda sendo obrigado por lei. O pasado ano o director xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, foi convocado como imputado nun proceso aberto por un presunto delito de prevaricación ambientalContraminacción acusa tanto ao Goberno galego como a diversos técnicos de remitir informes falsos sobre a titularidade das presas mineiras, que en varias ocasións se pretendeu "facer pasar por embalses hidroeléctricos", ou sobre o propio estado das augas. A entidade pon como un exemplo un informe remitido por Ángel Bernardo Tahoces ao Comité de Peticións do Parlamento Europeo no ano 2019 no que afirma que "as presas non foron construídas co propósito de formar parte do proceso mineralúrxico" senón que "probablemente foron construídas con propósito hidroeléctrico".A plataforma acusa tamén ao catedrático da USC Felipe Macías de ter publicado informes con "datos falsos" nos que "se conxectura sen base científica ningunha" a existencia dun "fondo natural de metais" que impediría cumprir cos niveis legais de substancias perigosas prioritarias. Estes informes, segundo Contraminacción, tentarían "ocultar a contaminación por metais pesados causada pola mina", achegando esta explicación sobre unha suposta "contaminación natural" que pretendería "xustificar que a empresa puidese verter augas contaminadas con cadmio con total impunidade e a perpetuidade". A plataforma acusa tamén ao catedrático da USC Felipe Macías de ter publicado informes con "datos falsos" nos que "se conxectura sen base científica ningunha" a existencia dun "fondo natural de metais"Os datos de Felipe Macías serviron de base a numerosos informes emitidos tanto polo Goberno galego como por outros profesionais e entidades e foron rebatidos por un informe do grupo de investigación Aquaterra da Universidade da Coruña. O informe constatou que a contaminación por metais pesados se produce como consecuencia das verteduras procedentes da explotación mineira.Finalmente, Contraminacción esixe aos colexios profesionais de xeólogos, químicos e enxeñeiros de minas que "se retracten" en relación ao apoio emprestado a Felipe Macías o ano pasado. O pasado mes de xuño estas entidades profesionais emitiron un duro comunicado conxunto que criticaba o traballo de Steven H. Emerman, consultor ao servizo de entidades públicas e ambientais galegas e que cuestionara os datos de Felipe Macías. |
NOS_25790 | Hai 73 anos, falamos de 31 de outubro de 1949, morrían nun enfrontamento armado coas forzas da Garda Civil sete guerrilleiros tras ser cercados nunha vivenda no lugar de Pazos en Monfero. A acción represiva foi decisiva para o desmantelamento da oposición armada ao fascismo, nas comarcas de Trasancos e A Coruña, significando un antes e despois na loita antifranquista. | Foi un golpe decisivo que rematou por desmantelar a IV Agrupación do Exercito Guerrilleiro da Galiza. Ao longo de 1949, o dispositivo represivo do réxime franquista golpeou con contundencia aos núcleos operativos da resistencia armada, provocando numerosas baixas nas súas filas, debilitando a súa rede de apoios e xerando unha forte sensación de desánimo no conxunto do movemento popular. As necesidades loxísticas obrigaron a un grupo de militantes da IV Agrupación, integrados no Destacamento Arturo Cortizas, a desprazarse a Vilarmaior. O grupo estaba comandado por Adolfo Allegue Allegue, coñecido por Riqueche, un guerrilleiro de Grandal en Vilarmaior convertido, ao tempo, no máximo responsábel do Arturo Cortizas. A crónica de Moncho Ramón Rei Balbís 'Moncho', un dos cadros de relevo da IV Agrupación, ligou a presenza do comando nas terras natais de Riqueche a que "estabamos sen un céntimo e empeñados en varios puntos de apoio, pero aínda ficaban outros que nos podían axudar. Decidimos após estudar as posibilidades, que Riqueche, Temblas, Chao e Freire saíse á zona de Vilarmaior e alí pedisen ao "Susto" o cabalo ou aos "Pirenaicos" algún diñeiro". As dificultades para conseguir nesa zona a cantidade económica precisa para a súa labor ordinaria levou ao grupo a desprazarse a Monfero. O plan acordado estabelecía "como última saída, senón lograban o diñeiro nestes sitios debían ir cobrar o resto da sanción a Monfero tomando todas as precaucións", poñendo camiño a esta última localidade, unha vez que comprobaron a imposibilidade de conseguir a contía precisa en Vilarmaior. Segundo a crónica de Rei Balbís, "Riqueche conseguiu algún diñeiro no Susto e A Tenda (total creo que unhas 7.000 pesetas, unindo a Jaspe e aos seus dous compañeiros ao destacamento e trasladándose a Monfero a cobrar unha sanción que xa impuxeramos e da que só cobraramos a metade (15.000)". Así as cousas, os membros do Destacamento Arturo Cortizas da IV Agrupación e os restos da V Agrupación xa chegaron a Monfero o 29 de outubro. O reloxo de Pasionaria O enfrontamento entre as forzas da orde e as unidades guerrilleiras iniciouse no anoitecer de 30 de outubro e alongouse até a media tarde do día seguinte. Os militantes antifascistas pasaron a primeira noite na vivenda a onde acudiran a cobrar a sanción económica, sendo recibidos, en palabras dos informes internos do PC, "afabelmente", sen caer na conta de atoparse cercados até que Riqueche saíu da casa para comprobar a situación. Rei Balbis, no seu informe, sinalou como "cando ao saír da porta coa pistola metralladora na man alguén lle preguntou: Ti es Riqueche?. Si que pasa, contestou este. Unha refaga foi a contestación do inimigo e Riqueche caeu morto". O mesmo informe continuou sinalando que "o combate durou toda aquela noite e até o atardecer do día seguinte. Todos os guerrilleiros segundo os informes portáronse ben. Os camaradas queimaron todos os papeis, incluso o diñeiro e romperon os reloxos. Deixaron só un pequeno…coa fotografía da camarada Dolores que se entregaba aos camaradas mellores no estudo e no traballo". Os mortos de Pazos O combate rematou coa morte de sete militante antifascistas. A maiores de Riqueche, falecido ao comezo do enfrontamento, perderon a vida nas máis de 16 horas de batalla José Temblás Paz, José Chao Rouco, Antonio López Arias, Juan Freire Barcia, Rogelio Alonso Carral e José Remuiñán Barreiros. Temblas, natural de Ourol, militante no PCE desde 1939 foi o principal dirixente da guerrilla de orientación comunista na Mariña. Veciño do anterior, José Chao "Benita" era outro veterano da guerrilla mariñá, que partillou tempo atrás momentos e situacións de perigo con outro dos mortos, neste caso co ferrolán Roxelio Alonso "Canín", procedente tamén da IV Agrupación e Juan Freire Barcia, que só levaba catro meses no monte. Os outros dous guerrilleiros mortos, Antonio López Arias "Jaspe" e José Remuiñan Barreiros "Ricardito", desembarcaran na Coruña após da desfeita da V Agrupación e o conseguinte cese da actividade armada no norte de Pontevedra. Pazos, un símbolo da resistencia antifascista A batalla de Monfero non tardou en acadar a categoría de símbolo na memoria popular e na propia épica da resistencia antifascista. O alcance do despregue das forzas da orde, a intensidade do combate, o número de vítimas mortais ou a represión que golpeou ás xentes da comarca ficou gravada, durante décadas, na zona pero tamén no propio relato dos compañeiros de loita dos guerrilleiros asasinados que deixaron testemuño dos feitos nos seus órganos de prensa e en diferente propaganda elaborada nos anos seguintes. |
NOS_35132 | Mario Soriano marcou o primeiro gol para os branquiazuis, pero Alberto Jiménez forzou a prórroga e Jordi Sánchez, a falta de oito minutos para certificar o ascenso, deu o triunfo ao Albacete. | O Real Club Deportivo chegaba na tarde deste sábado ao estadio de Riazor alentado por milleiros de afeccionados e afeccionadas que desde primeira hora da mañá tinguiran de branquiazul as rúas da Coruña. Diante estaba o Albacete Balompié, o último obstáculo do Dépor para concretar o ansiado retorno a Segunda División logo de dúas tempadas na categoría de bronce. No banco, un vello coñecido: o ex adestrador deportivista Rubén de la Barrera. Mario Soriano desfixo o empate cun tiro picado após un pase moi preciso de Juergen Os de Borja Jiménez saltaron ao céspede a por todas e o primeiro gol, da man de Mario Soriano, non tardou en chegar. Cumprido o minuto 26 de partido, o centrocampista madrileño recolleu un preciso pase entre liñas de Juergen e definiu con calidade picando a bóla ante Bernabé. Mario Soriano estreou o marcador no minuto 26. (Foto: CRTVG) Intentou o equipo manchego igualar de novo o marcador, mais apenas logrou un disparo desde moi lonxe Riki que acabou nas mans de Mackay. Xa na segunda metade, Rubén Martínez estivo a piques de conseguilo cun potente remate coa testa que despexou con éxito o porteiro do Dépor, e Juergen replicou pouco despois cun disparo desde fóra da área que rozou o poste. Os de Jiménez dominaron após a reanudación, se ben faltou acerto en ataque. Tivo a oportunidade de ampliar a vantaxe Quiles cun disparo que se lle escapou en dous tempos a Bernabé. O Dépor repregouse e Alberto Jiménez empatou no minuto 82 Mais o equipo coruñés comezou a repregarse ante a ofensiva do Albacete e Alberto Jiménez logrou o empate cun gol do minuto 82 que comprometeu o que até ese momento apuntaba a unha vitoria do Dépor. E a partir de aí apretou forte o conxunto manchego sobre a área deportivista. Os últimos minutos foron de infarto, con constantes chegadas por parte de ambos os equipos. Os tres minutos que engadiu o árbitro ao remate dos 90 minutos regramentarios non abondaron para que nin Dépor nin Albacete evitasen a prórroga. Os branquiazuis só precisaban manter o empate para ascender de novo á categoría de prata, pois nese caso, no canto de decidir o encontro na quenda de penaltis, ascenderían por ter alcanzado unha mellor posición durante a liga regular. Unha incursión na área de Antoñito no minuto 97 a piques estivo de rematar en gol dos branquiazuis, mais novamente o porteiro do Albacete evitou o perigo detendo un balón que logo despexou Djetei. Dous minutos despois tivo outra oportunidade Álvaro Rey cun disparo desde o lateral da área nun libre directo neutralizado tamén por Bernabé. O Dépor intentou con todas as súas forzas manter o empate que lle daba o billete a Segunda, mais un perfecto remate de cabeza de Jordi Sánchez dentro da área tras un centro preciso de Sergi García enmudeceu Riazor. Un cruel final para un equipo que loitou pola vitoria até o segundo final ante a súa afección. Ficha técnica RC Deportivo: Mackay; Antoñito, Lapeña, Jaime (Borja Granero, min. 101), Héctor Hernández; Álex Bergantiños, Villares, Juergen (Álvaro Rey, min. 80); Quiles (William, min. 80), Miku e Soriano (Rafa de Vicente, min. 68). Albacete Balompié: Bernabé; Attipoe, Boyomo, Djetei, Alonso; Fran Álvarez (Éric Montes, min. 95), Riki (Alberto Jiménez, min. 64), Rubén, Fuster, Kike Márquez (Sergi García, min. 88); Jordi Sánchez. Goles: Mario Soriano (min. 26); Alberto Jiménez (min. 82), Jordi Sánchez (min. 112). Asistencia: 27.215 persoas asistentes de ambas as afeccións no Estadio de Riazor. |
NOS_6375 | Con motivo do Día Internacional de acción polos ríos, que se conmemora o 14 de marzo, -anteriormente denominado día de loita contra os encoros-, Adega lembra que a Galiza é un dos territorios europeos con maior presión hidroeléctrica sobre os seus ríos. | E malia a presión que exercen os encoros e a industria hidroeléctrica, salienta a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, tanto a Administración galega como a estatal amosan pouco entusiasmo por liberalos. "Ducias de encoros curtucircuitan a rede fluvial galega, algúns con máis de 100 anos en funcionamento. E malia que a Directiva Marco da Auga e a Lei galega de Protección e Defensa dos Ríos obrigan a manter en bo estado ecolóxico as nosas masas de auga, sinalando as barraxes como un factor chave do seu deterioro, as Administracións amósanse remisas a iniciar de oficio procedementos de caducidade das concesións", advirte adega nun comunicado. Moitos destes encoros atópanse ademais dentro de espazos protexidos, engade o colectivo ecoloxista, afectando a ríos e humidais chave para o mantemento dos servizos ecosistémicos e a loita contra a mudanza climática. "Preguiza ou complicidade?" Segundo afirma Adega, Xunta e Ministerio demóranse na recuperación das concesións e aproveitamentos que xa sobrepasaron o prazo máximo. Neste sentido defende que como xa ten denunciado, "deixan caducar os procedementos por non resolvelos nos 18 meses que establece a Lei de Augas. Foi o caso da central de Ponte Inferno, no río Verdugo, concedida en setembro de 1899 e explotada por Naturgy. Augas de Galiza non concluíu o expediente de extinción en prazo e caducou". Tras as denuncias de Adega e Pladever, a Xunta iniciou un novo expediente de extinción que a asociación ambiental pide "rematar en prazo. "Agardamos tamén que coas oito centrais xa caducadas ou que caducarán antes de 2025, incluidas dúas grandes no Tambre -tamén de Naturgy-, a Xunta non se amose tan preguiceira", engade. Competencia estatal Polo que respecta ás demarcacións hidrográficas de competencia estatal, matiza Adega, "tampouco son propensas a recuperar concesións extinguidas e naturalizar as canles. E cando o fan, en troques de obrigar á concesionaria a restituir o río eliminando as barraxes e demais elementos artificiais que o alteraron, por veces máis dun século, deciden sacar a concurso unha nova concesión, prolongando aínda máis a condena do río". É o caso da central do río Loña, no Pereiro de Aguiar, dependente da CH Miño-Sil. "Unha explotación que data de 1897 -123 anos- vén de ser declarada extinta e, no canto de recuperar o río obrigando á concesionaria (ENEL) a derrubar encoro, tubaxes e demáis edificios, a CH Miño-Sil decide convocar concurso público para explotar o aproveitamento", denuncia. Unha decisión que o colectivo ecoloxista vén de recorrer a canda AEMS-Ríos con Vida vimos de recorrer, "agardando que a variada lexislación de protección dos ríos prevaleza sobre a cobiza da concesionaria e a miopía da Confederación". "Polo que atinxe ás numerosas concesións caducadas ou próximas a caducar nos vindeiros anos, non hai xustificación para que non se derruben e recuperen os ríos. En todo caso, a reversión ao dominio público e a eventual continuidade da explotación debería facerse -previa avaliación ambiental- a unha empresa pública, para que fose a propia sociedade a beneficiaria directa da electricidade xerada polos nosos ríos", conclúe. |
NOS_23176 | Pedro Sánchez non pon data á conexión por tren entre a Galiza e Portugal. | Os Estados español e portugués acordaron esta sexta feira, nunha cimeira bilateral en Viana do Castelo (Portugal), "cooperar e acelerar" a produción con fontes de enerxía renovábeis na costa atlántica, como a eólica mariña flotante, de cara a 2030. A potencia de eólica mariña proxectada na Galiza cuadruplicouse desde a entrada en vigor da moratoria estatal Ademais, coa intención de fortalecer o Mercado Ibérico da Electricidade e no contexto de penetración das enerxías renovábeis, comprometéronse a "desenvolver un marco regulador que fomente eficazmente os novos investimentos, cumprindo con todos os requisitos estabelecidos pola normativa" da Unión Europea (UE). Tamén reafirmaron a súa aposta polo reforzo das conexións enerxéticas entre ambos os Estados e entre a Península Ibérica e o resto do mercado enerxético da UE. As augas galegas, albo da eólica mariña con case a metade dos MW tramitados polo Ministerio A este respecto, apoiaron o acordo alcanzado o pasado 20 de outubro con Francia para a construción dun corredor de hidróxeno e gas entre os tres Estados a través do desenvolvemento dun hidroduto marítimo entre Barcelona (Catalunya) e Marsella (Francia), así como o reforzo das interconexións eléctricas por outras vías como a do golfo de Bizkaia (Euskadi). Sen horizonte temporal para os camiños de ferro Sánchez reiterou a "importancia vital" e o seu "compromiso total" coas conexións ferroviarias entre o Estado español e Portugal. Porén, no caso da conexión entre a Galiza e Portugal, non concretou data para a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto. Pontón propón unha "alianza estratéxica" Galiza-Portugal para impulsar as infraestruturas de ambos países Preguntado sobre se o Estado español se compromete a desenvolver a conexión desde Vigo á raia co Estado veciño para 2030, xa que Portugal si asegurou que levará a alta velocidade desde Porto até a Galiza para ese ano, Sánchez non quixo especificar datas. A declaración conxunta emitida por ambas as partes após a cimeira, con 60 puntos, tan só fai referencia á Galiza en dous aspectos, pola conexión por tren e polos esforzos para o desenvolvemento da interconexión eléctrica Minho-A Galiza. |
NOS_45241 | A Plataforma en defensa do sector lácteo pon no punto de mira as industrias e acorda bloquealas. A decisión debe ser refrendada pola asemblea de gandeir@s de Compostela. Feijóo e Quintana reuniranse con representantes da produción esta sexta feira. | Esta sexta feira (11 de setembro) a tractorada que manteñen desde hai catro días @s gandeir@s en Compostela podería cambiar de rumo e intensificarse. Neste senso, a Plataforma en defensa do sector lácteo acordou "bloquear as industrias" para que "non entre nen saia un litro de leite", o que atinxiría --se así o refrenda a asemblea de gandeir@s convocada para as 12h-- por volta de 15 entidades. A decisión foi adoptada após a xuntanza mantida no Ministerio de Agricultura español entre representantes do goberno e dos distintos elos da cadea de valor do leite. O "preacordo" anunciado por Isabel García Tejerina, responsábel da carteira ministerial, é --segundo a Plataforma-- "papel mollado" polo que incrementarán a presión sobre as industrias do leite. A falta de "garantías legais" que obriguen a industria e distribución a cumprir cuns prezos dignos en orixe sitúase no cerne do rexeitamento por parte das explotacións gandeiras. "Non nos queda máis remedio que seguir presionando", sinalan fontes da Plataforma en defensa do sector lácteo. Neste senso, deberá ser a asemblea de gandeir@s de Compostela a que ratifique a decisión da Plataforma que, de saír adiante, podería comezar a executarse esta mesma sexta feira pola tarde. Así, os perto de 4 mil tractores que se atopan na capital de Galiza serían distribuídos entre as 15 industrias. Á mesma hora na que se reunirán @s gandeir@s en asemblea, representantes das organizacións sindicais e integrantes da asemblea de Lugo reuniranse con Alberto Núñez Feijóo e Rosa Quintana en San Caetano para avaliaren o resultado da xuntanza que tivo lugar no Ministerio. Lugo Pola súa banda, en Lugo acordaron manter a tractorada ao redor da muralla cando menos até a vindeira terza feira. Porén, o seu voceiro Roberto López chamou á "calma" e mesmo asegurou que se estaría a avanzar no acordo entre as partes cara á unha "forquita de 33-36 céntimos por litro de leite". "Evidentemente vannos exixir máis calidade", apuntou en declaracións recollidas por Campo galego. López tamén tería comunicado que a tractorada de Compostela abandona as distribuidoras, porén estas non o farán e poderían iniciar hoxe mesmo o bloqueo da industria. |
NOS_24364 | Evaristo Páramos, cantante de Gatillazo e antes de La Polla Records, foi retido pola Garda Civil despois dun concerto no festival Primavera Trompetera en Xerez (Andalucía). O motivo, unha denuncia polo contido das letras das súas cancións. | Segundo informou o actor Willy Toledo nas redes sociais, e recolle o dixital vasco Naiz.info, os axentes da Garda Civil identificaron o músico ao final da actuación debido á citada denuncia. Outras versións refírense a que foi a causa dos "improperios" contra o corpo policial pronunciados sobre o escenario. Evaristo é un dos músicos punk máis célebres e celebrados do Estado español. As súas letras son críticas co sistema e teñen un contundende nesgo esquerdista. Políticas como a deputada do BNG Noa Presas, ou os líderes de Bildu -Arnaldo Otegi-, Podemos -Pablo Iglesias- ou Izquierda Unida -Alberto Garzón- amosaron a súa solidariedade coa artista e a súa proecupación pola deriva autoritaria do Estado. |
NOS_14273 | Na serie de entrevistas políticas, o director de Sermos Galiza, Xosé Mexuto, conversa desta volta co flamante Premio Trasalba, o veterano político nacionalista Camilo Nogueira. É un dos contidos en destaque no número 191 do Sermos, esta quinta feira nos pontos de venda habituais e xa esta noite na nosa loxa. | Camilo Nogueira aborda na entrevista o debate en curso no nacionalismo galego e tamén expresa a súa visión da Galiza, do Estado e do proxecto da Unión Europea. O militante do BNG fala tamén da forma de concorrencia ás eleccións galegas e non dubida en facer unha caracterización do que significa Podemos como nova forza da esquerda española. Alén da entrevista, o Sermos191 mergúllase nun asunto que atinxe de forma directa a comunidade escolar galega, a aplicación da LOMCE, suspendida polo Congreso dos Deputados, mais con capacidade de sobreviver ao actual impass político se finalmente naufraga a investidura e hai que convocar novas eleccións. A situación dos falsos autónomos e a crise demográfica son outros dos temas que terán comprido tratamento na nova entrega dun Sermos191 que, no bloco Fóra de Serie, leva as seccións habituais de Uxío Breogán (historia da Galiza), Olga Brañas (música), Mario Regueira (literatura), Andrés Castro (cinema), Lola Dopico (moda e deseño) ou Iago Varela (tecnoloxías). |
NOS_12429 | As bases poderán votar se concordan coa estratexia de alianzas deseñada por Iglesias. | Podemos convoca un referendo interno para que as persoas que integran a formación se posicionen a respeito da política de alianzas deseñada pola dirección política. Neste senso, a pregunta que se lles formulará será: "aceptas que o Consello Cidadán de Podemos, en aras de seguir avanzando na construción dunha candidatura popular e cidadá, estabeleza acordos con distintos actores políticos e da sociedade civil sempre que 1) os acordos se estabelezan a escala territorial (nunca superior á autonómica) 2) manteñan sempre o logotipo e o nome de Podemos no primeiro lugar da papeleta electoral mesmo se isto implica concorrer ás eleccións xerais nalgúns territorios con fórmulas de alianza (Podemos-X)?". En síntese, a militancia deberá votar Si ou Non ao deseño presentado por Pablo Iglesias e aprobado polo Consello Cidadán mais sen posibilidade algunha de propor unha outra opción. A consulta foi fixada de acordo cos estatutos da formación e a estratexia que defende en concordancia coa folla de rota aprobada na Asemblea de Vistalegre. Nas últimas semanas, diversas iniciativas que integran tamén militantes de Podemos, chamaron a organización de Pablo Iglesias a se sumar a procesos de confluencia que non tivesen Podemos como paraugas. Eis o caso de Ahora en Común, mais ás que o secretario xeral de Podemos acusou de constituír unha "chantaxe". |
PRAZA_12078 | Sanidade resposta ao BNG, que cuestionara ao Goberno por facer "burla" dos pacientes, asegurando que a intención do certame foi "manter o humor no traballo" e lémbralle que "a retranca" é "característica da sabedoría do pobo galego" | "A risa dá a vida". É a explicación que a Consellería de Sanidade lle vén de ofrecer á vicevoceira parlamentaria do BNG, Ana Luisa Bouza, que cuestionara ao Goberno galego por celebrar, tal e como revelou Praza Pública, un concurso de anécdotas para celebrar o vixésimo aniversario do Sergas. A través dunha resposta parlamentaria escrita, o departamento que dirixe Rocío Mosquera admite a organización do concurso. A súa intención, asegura, non era outra que "recoller, xunto coa Memoria Asistencial" do Servizo Galego de Saúde, "o sorriso dos que, día tras días, enfróntanse (sic) á dor da enfermidade e ao proceso de curar". Porque rir, engade, é "un exercicio tonificante". Se cadra seguindo o ton do propio concurso, a Consellería abonda na súa resposta á parlamentaria nacionalista explicándolle que "manter o humor no traballo, sen faltar ao respecto ou aos dereitos á intimidade das persoas, redunda nun ambiente positivo no entorno laboral". Do mesmo xeito, o documento remitido ao Parlamento permítese unha licenza antropolóxica, lembrándolle a Bouza que "a ironía e a retranca son características da sabedoría do pobo galego". "Esta iniciativa non tivo ningún custo económico". Un concurso "ético" e "multimedia" Ademais desta contestación, a resposta parlamentaria inclúe tamén, a xeito de anexo, as bases do propio concurso, as cales permiten coñecer todas as características dun certame que, tal e como detallou este xornal, serviu para que na intranet do Sergas se relatasen "anécdotas" que, entre outros aspectos, ridiculizaban algúns doentes por non coñecer terminoloxías clínicas ou, simplemente, por expresárense en galego. Segundo estas bases, a intención que se perseguía era "poder dispoñer dun fondo documental humano e simpático de historias acaecidas nestes anos e vividas polos profesionais sanitarios". Tratábase "de que non se perda a riqueza humana que seguro se produciu ao longo destes anos". Sobre estas regras básicas, o persoal da sanidade pública podería achegar "anécdotas" diversas, relacionadas "coa asistencia sanitaria", "coa comunicación e as relacións humanas" entre profesionais ou destes cos pacientes, coa "vida cotiá dos centros" ou "coa vida académica". Estes relatos, sinala o documento, debían ser subidas á rede informática interna do Sergas, onde ademais poderían ser votadas. Pero non só o texto tiña cabida no peculiar certame. As anécdotas, "orixinais e inéditas", puideron internarse nos vieiros multimedia con imaxes, videos e sons, "preferiblemente en formato mp3". Todo o material "aceptado" pasará a formar parte "dun fondo vídeo-documental, que recollerá todas as seleccionadas e que pasarán a formar parte da memoria dos vinte anos de existencia do Sergas". Malia ao denunciado por múltiples profesionais sanitarios que, tal e como ten relatado Praza, consideraron o concurso un exercicio de "dubidoso gusto" e "falta de respecto", as bases do concurso incluían tamén un "código ético". "Terase en conta que as anécdotas e os seus adxuntos non incorran en falsas ao dereito á intimidade e á confidencialidade", resolvía a convocatoria. Pregunta parlamentaria do BNG Resposta completa da Xunta |
NOS_32546 | Malia ser unha das máis efectivas, os problemas de produción e distribución da vacina rusa están a provocar unha gran frustración en países como a Arxentina, que ameazou con romper o contrato. Mentres, o avance cara ao monopolio da estadounidense-xermana na UE trae importantes subas nos prezos por dose. | A vacina Sputnik V, a primeira contra a Covid-19 en ser rexistrada no mundo, é unha da máis efectivas segundo confirmou un estudo publicado en febreiro pola prestixiosa revista médica The Lancet. Non obstante, nin a OMS nin a Axencia Europea do Medicamento (EMA) lle deron aínda o seu aval. Non é a calidade, eficacia e seguridade do soro o que priva á vacina rusa de recibir a luz verde, senón a produción do remedio en cantidades masivas o que retrae os dous organismos internacionais. Un proceso no que o fármaco acaba perdendo as súas virtudes, tal e como denunciou a axencia reguladora do medicamento de Eslovaquia, SUKL. O Goberno deste país mercou en marzo 200.000 doses. Finalmente non inxectou ningunha debido a que a SUKL rexeitou emitir unha resolución clara sobre a seguridade do fármaco. Non sobre o soro orixinal, senón sobre o que foi enviado a Eslovaquia. O Ministerio de Sanidade comunicaba o pasado 30 de xuño que vendera de volta a Rusia 160.000 das doses ao mesmo prezo que as adquirira, 9,95 dólares cada unha. A perda de calidade durante o proceso de produción en masa é un dos problemas que presenta a Sputnik V. A EMA deu de prazo até o 10 de xuño para recibir datos de fabricación e clínicos, xa que entregados até comezos dese mes estaban incompletos. Documentación insuficiente da metodoloxía e incumprimento dos protocolos son outras das pexas postas por este e por outros organismos internacionais. Ameaza arxentina Con todo, un total de 69 países do mundo apostaron pola Sputnik V, que require dúas doses diferentes unha da outra. A Arxentina é un destes países, que ademais puxo case todos os ovos no mesmo cesto da vacina rusa. Onte, a ministra de Sanidade, Carla Vizzotti, comunicaba que se tomara a decisión de combinala con Moderna e AstraZeneca para completar a inmunización tras rexistrar resultados "satisfactorios" e "alentadores" dun primeiro estudo de mistura de vacinas con 1.800 voluntarios. O Goberno, que en novembro afronta unhas eleccións decisivas, viuse na obriga de actuar ante a "situación moi crítica" en que se atopa o país polos incumprimentos na entrega das doses acordadas por parte do Fondo de Investimentos Directos de Rusia (FIDR), organismo que comercializa a Sputnik V no exterior. Nunha carta oficial enviada a Moscova e filtrada polo diario La Nación o pasado 22 de xuño, Bos Aires advertía que o contrato "está en risco de ser publicamente cancelado". Os datos son alarmantes ante o avance da variante delta: só 16,06% da poboación puido recibir a pauta completa, e 6,6 millóns agardan a segunda dose de Sputnik V. Destes, 63% co prazo caducado. Aposta diplomática A situación arxentina repítese noutros moitos países do mundo. Un dos máis afectados é o Irán, que contratou un total de 60 millóns de vacinas. O compromiso en febreiro era recibir 5 millóns nunha primeira fase, mais a día de hoxe só chegaron 2 millóns. Situacións similares están a vivir en México (4,1 millóns dos 24 millóns acordados), Guatemala (150.000 de 8 millóns) ou Bolivia (745.000 de 5,2 millóns). E tamén en países africanos como Ghana, Angola ou Kenya. Territorios todos onde Rusia, en tempos de viruspolitik, aspira a expandir a súa influencia a través da chamada "diplomacia das vacinas". A comezos de ano o FIDR aseguraba ter "capacidade de subministrar a vacina a 700 millóns de persoas fóra de Rusia" en 2021. Un ambicioso plan que choca coa realidade: a finais de xuño, na propia Rusia, só 15% da poboación recibira a primeira dose da Sputnik V. O FIDR, pola súa banda, aseguraba na cuarta feira que "os atrasos temporais na entrega do segundo compoñente se resolverán por completo este mes de agosto", co aumento da capacidade de produción tras os acordos de fabricación da Sputnik V con farmacéuticas de 14 países, en particular con Serum Institute da India, o maior produtor de vacinas do mundo. Pfizer, 23% máis cara Tamén nesta cuarta feira, o ministro de Exteriores ruso sostiña que a dilación para recibir a aprobación por parte da EMA se debe a motivos políticos e comerciais, e denunciaba nunha entrevista no Komsomólskaya Pravda a "retórica agresiva" contra a Sputnik V dalgúns Estados da UE. Respondía ás palabras da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, que horas antes noutra entrevista, na RND alemá, reafirmaba que "até o de agora, o fabricante non puido proporcionar datos válidos suficientes para demostrar a seguridade" da Sputnik V. En calquera caso, Bruxelas desbotou completamente a vacina rusa hai tempo. Os 27 seguen a ter a liberdade para mercala pola súa conta, mais a Comisión xa advertía o pasado 4 de marzo que non se contemplaba a súa inclusión na compra conxunta da UE aínda coa aprobación da EMA. A aposta de Bruxelas ─como fixo Arxentina coa Sputnik V─ é pór todos os ovos no mesmo cesto e adquirir só vacinas de ARN mensaxeiro: as de Pfizer/BionTech e, polo momento, tamén as de Moderna. Decisión arriscada por cuestións sanitarias e económicas. As sanitarias porque, segundos os científicos, a diversificación de vacinas (a efectividade de AstraZeneca ficou demostrada no Reino Unido) pode ser positiva ante a diversificación do virus. E as económicas porque, segundos os expertos, acabará evolucionando cara a un monopolio. O contrato da compra de vacinas até 2023 realizada en abril, publicado o domingo polo Financial Times, recolle un aumento no prezo de cada dose aproveitando os bos resultados de inmunidade ofrecidos: de 15 a 19,5 euros, as de Pfizer; e de 19 a 21 euros, as de Moderna. AstraZeneca, xa desbotada por Bruxelas, véndese a prezo de custo: uns 2 euros. |
PRAZA_4219 | A Xunta decide manter pechada o resto da educación a partir dos 3 anos e aínda non decidiu que facer coas escolas infantís | A Xunta decide manter pechada o resto da educación a partir dos 3 anos e aínda non decidiu que facer coas escolas infantísA Consellería de Educación anunciou este xoves, tras unha reunión con responsables do Goberno central e do resto de gobernos autonómicos, que en Galicia, se para daquela se avanza á fase 2 do desconfinamento, as aulas reabrirán a partir do 25 de maio só para o alumnado de 2º de Bacharelato e de 2º curso dos ciclos medios e superior de FP e de xeito voluntario. Son cursos que dan dereito a unha titulación e nos que a flexibilidade educativa adoptada polo coronavirus non é tanta.Os centros xa están abertos para a tramitación das matrículas entre críticas do persoal por establecer só recomendacións xenéricas non adaptadas A Xunta reclama ao Goberno central que estableza protocolos para a volta ás aulas tanto para o que resta de curso neses niveis nos que se permitirá a volta voluntaria como para o próximo curso. Ela mesma decidiu que o pasado luns reabrisen os centros para a tramitación das matrículas para o próximo curso entre críticas do seu persoal por establecer só recomendacións xenéricas non adaptadas ao ámbito educativo.As escolas infantís de 0 a 3, que adoitaban abrir ata agosto, anos iniciaron o prazo de matrícula para o próximo curso pero aínda sen data de reaperturaA decisión da Consellería de Educación de manter pechadas as aulas para o alumnado dela dependente entre os 3 anos e 2º de Bacharelato ou FP contrasta coa situación das escolas infantís de entre 0 e 3 anos, dependentes da Consellería de Política Social, sobre as que aínda non hai ningunha decisión tomada. A Xunta vén de abrir o prazo de matrícula para o próximo curso pero atribúe ao Goberno central a responsabilidade de fixar os criterios para a volta a uns centros que adoitaban abrir ata agosto. |
NOS_43115 | Unha boa representación das 80 organizacións e colectivos que conforman o Movemento Galego polo Clima xuntouse este sábado na Casa do Matadoiro de Compostela para perfilar as liñas de accións e retos deste 2020 cunha cita, aínda indefinida, no horizonte: a convocatoria das eleccións á Xunta. | As entidades galegas queren que a axenda ecoloxista teña peso nos programas que concorran aos comicios e, con esa aspiración, elaborarán, no marco do Movemento, un decálogo con medidas e propostas ambientais desde o ecoloxismo para acita electoral. Entre os acordos adoitados cóntase a elaboración dun novo manifesto, que incluirá "propostas reais e efectivas na loita contra o cambio climático". O Movemento quere que o documento funcione como unha "folla de ruta, para lograr unha transición enerxética, así como un modelo produtivo, industrial e de consumo galego que permita unha transformación ecosocial xusta". Outro dos acordos pasa por organizar no verán un encontro nacional, que se presenta como "un espazo para a aprendizaxe colectiva e as sinerxías, coa finalidade de consolidar o movemento ecoloxista galego e dar visibilidade á importancia de actuar de maneira conxunta". A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube. |
PRAZA_16538 | O Consello de Ministros vén de aprobar o novo Plan Estatal de Vivenda con axudas o alugueiro. Sete de cada dez demandantes de vivenda protexida en Galicia desexan alugar e a proporción elévase ao 90% ao incluír as peticións de arrendamento con opción de compra | O dereito á vivenda estivo no centro do debate público durante os peores anos da crise por mor do incremento dos desafiuzamentos. Tras o brusco peche da billa dos excesos do crédito bancario e despois de media década de recesión económica os desafiuzamentos minoraron a súa cantidade e tenderon e concentrarse entre a poboación que vive de alugueiro. Mentres, incorpóranse ao debate público sobre o dereito a vivenda novos elementos como a proliferación de pisos de uso turístico que contribúen a inchar os prezos e dificultan o acceso para fins residenciais. E ao tempo, en Galicia unhas 8.000 persoas teñen formuladas solicitudes formais de acceso a unha vivenda alugada con protección da Xunta. O Consello de Ministros vén de aprobar o novo Plan Estatal de Vivenda con axudas o alugueiro Con este pano de fondo o pasado venres o Consello de Ministros aprobaba o Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, un proxecto do que o Goberno de España destaca, precisamente, o novo paquete de axudas ao alugueiro. As principais son achegas de ata 600 euros ao mes -e "excepcionalmente", ata 900 euros, pensado para contornas con prezos máis elevados- que cubran un máximo do 40% do prezo do piso, límite que pode chegar ao 50% do importe da renda para menores de 35 e maiores de 65 anos. Estes subsidios circunscríbense, así e todo, para unidades familiares nas que os ingresos máximos non cheguen ao triplo do IPREM, isto é, pouco máis de 1.600 euros ao mes. No caso dunha parella, por exemplo, dous soldos superiores a 800 euros xa superarían este limiar. Sete de cada dez demandantes de vivenda protexida en Galicia desexan alugar e a proporción elévase ao 90% ao incluír as peticións de arrendamento con opción de compra Mentres este programa se pon en marcha -terá efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro- en Galicia a principal radiografía de demanda de vivenda en alugueiro é a que ofrece o Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida. Este rexistro, dependente da Xunta, incluía con data deste 12 de marzo -actualízase a diario- algo menos de 12.000 solicitudes das que sete de cada dez son para vivendas en alugueiro. A proporción elévase ata case o 90% tendo en conta as máis de 2.000 persoas que quererían alugar unha vivenda protexida con opción de compra. Este volume de solicitudes contrasta coa oferta, composta por un parque de arredor de 3.500 vivendas protexidas en alugueiro fundamentalmente dirixidas a "familias con baixos recursos", segundo datos do propio Goberno galego de comezos deste ano. A reserva de solo para vivenda protexida nos concellos de máis de 5.000 habitantes quedou en 2018 por baixo do 5% Estas cifras danse nun contexto no que o solo que os plans urbanísticos dos concellos de máis de 5.000 habitantes deben reservar para vivenda protexida volve baixar en Galicia. Este baremo, que a Xunta publica cada ano baseándose nunha fórmula que ten en conta factores como o número de habitantes e as solicitudes do devandito Rexistro de Demandantes, quedou para este 2018 nun valor medio do 4,93%, por baixo do 5,5% do 2017 e a gran distancia do establecido na lei de medidas urxentes de vivenda e solo do ano 2008. Aquela norma fixaba o limiar no 40% e o PP considerara dende a oposición que se trataba dunha limitación propia da Unión Soviética que ademais, argumentara, ía subir os prezos. Nesta liña, modificouno tras chegar á Xunta. Con actual sistema de cálculo menos dunha ducia de concellos están por riba da media galega en canto a solo reservado para vivenda protexida. Un ano máis a maior porcentaxe é a de Vigo, co 12,7%, seguido por Ferrol, Pontevedra, Brión e A Coruña, con máis do 8%, e por Lugo e Santiago, por riba do 7%. A oposición parlamentaria e concellos gobernados por forzas diferentes do PP sinalan estes e outros indicadores como exemplo dunha política de vivenda que consideran errónea e que, sinalaron nos últimos días, o novo plan estatal non vai poder emendar, toda vez que o modelo de subvencións pode propiciar que a 'burbulla' dos prezos do alugueiro inche aínda máis. Dende a Xunta, non obstante, esgrímese que están en funcionamento programas como o de Vivendas Baleiras, ou o Bono Alugueiro Social -200 euros durante 3 anos para persoas sen recursos-, que segundo detallou recentemente a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, beneficiou a "preto de 500 familias en risco de perder a súa vivenda ou con dificultades para acceder a un fogar". O Goberno galego esgrime plans como o de Vivendas Baleiras ou as axudas á rehabilitación para xustificar a escasa aposta pola construción de vivenda pública O Goberno galego alega tamén o feito de que nos últimos meses apostou pola rehabilitación de casas para a súa posta á disposición como vivenda protexida e que reactivou a promoción de vivenda pública con, por exemplo, o inicio dos trámites para construír 40 pisos na Coruña. Así e todo, este e outros anuncios como os relativos á recuperación de pisos en centros históricos, chegan despois de case unha década de devalo no orzamento público para a construción de vivenda protexida, que pasou de máis de 50 millóns de euros en 2009 a apenas 3 en 2017, ano tras o cal iniciou unha leve recuperación, ata os 7 millóns de euros do presente 2018. Xunta e PP galego atribúen estes escasos recursos para a promoción de vivendas públicas á súa aposta política pola rehabilitación e reutilización de vivendas baleiras. Non obstante, este mesmo luns dende o Ministerio de Fomento o director xeral de Vivenda, Antonio Aguilar, apuntaba xusto na dirección contraria. En declaracións á Cadena SER o alto cargo do Executivo estatal defendía as súas axudas económicas e advertía de que "a única forma de frear a suba do alugueiro" en termos xerais é "construír máis". |
NOS_42009 | Àiyé é unha palabra procedente da lingua iorubá, falada en África Occidental, que na súa mitoloxía orixinaria fai referencia á Terra e a todo o mundo físico, paralelo ao espiritual, que coñecen como "Orun". | A lingua iorubá tamén é usada no Brasil en determinados ritos relixiosos, e mesmo foi nomeada patrimonio inmaterial do Estado de Rio de Janeiro. Gratitrevas / ÀIYÉ / Balaclava Records / 2020 / Oito pezas / 3 euros ÀIYÉ tamén é o nome do proxecto musical da brasileira asentada en Lisboa Larissa Conforto. Percusionista e artista sonora, Conforto formouse en produción fonográfica e ten traballado como produtora artística en discos de Gilberto Gil, Chico Buarque, Alceu Valença e Karol Chonká. Tras seis anos como batería da banda Ventre, Larissa Conforto lanza este proxecto persoal onde precisamente o ritmo e a coidada produción son dous dos grandes protagonistas. Neste disco, titulado Gratitrevas, percíbese unha grande influencia do ancestral. As percusións das oito cancións que compoñen este traballo conducen a persoa oínte cara a un novo lugar case como se dun rito do xamanismo se tratase. Por enriba desta base, a voz de Conforto móvese con gran liberdade e constrúe melodías cubertas de ecos e reverberacións de maneira similar ao que podería facer Mounqup. O resto da instrumentación está composta por sons etéreos que buscan achegar unha harmonía sen destacar en ningún momento por enriba dos demais elementos. Se ben a combinación de percusión e voz vincula esta música coa forma máis pura da tradición sonora de boa parte do mundo, a estética de Gratitrevas non está ancorada no pasado –máis ben todo o contrario–, senón que bebe de propostas máis modernas e experimentais como a música de Björk. O disco comeza con "Semente", probabelmente a canción cos sons máis espaciais de todo Gratitrevas, unha composición abstracta, pero que abre as portas a moitas ideas que escoitaremos numerosas veces no álbum. "Pulmão", pola contra, é unha das pistas máis accesíbeis, se cadra a razón pola que foi elixida para ser acompañada dun videoclip, e na que aos ritmos da canción se une unha danza en medio do deserto. En "O Mito e a Caverna", coa colaboración de Vitor Brauer, ÀIYÉ achégase ao rap, con letras máis explícitas e políticas, aínda que mantén os sons característicos deste proxecto. Noutras pistas, como "Sombra (US)", "Astronoma (Wake Up)" ou o tramo final de "Terreiro", achégase á unha produción aínda máis electrónica cun uso da voz e dos sintetizadores que podería beber do traballo en solitario de Thom Yorke. Sen perder o mundo físico de vista, Gratitrevas complétase con outros instrumentos máis orgánicos como a guitarra de samba que aparece en "Isadora". |
NOS_6536 | Afirma que actualmente hai nelas 100 prazas vacantes de persoal técnico agrario e outras tantas cubertas por persoal interino. | Fruga denuncia que a Consellaría de Medio Rural está a facer "importantes recortes" nas Oficinas Agrarias Comarcais, uns recortes que esta organización considera que " podemos cualificar de desmantelamento". Así, afirma a Federación Rural Galega, "nestes momentos hai 100 prazas vacantes de persoal técnico agrario e outras tantas cubertas por persoal interino". Denuncian que hai oficinas que non dispoñen de técnicos para poder realizar os traballos, e outras, das que dependen un grande número de explotacións, cun só técnico, caso da oficina comarcal de Lugo. As Oficinas Agrarias Comarcais, dependentes da Consellería do Medio Rural, supoñen un importantes servizo para as explotacións agrogandeiras do noso país. Unha importante cantidade de trámites realízanse en ditas oficinas, como poden ser transferencias de explotacións, tramitación e certificación de plans de mellora, transferencias de dereitos da PAC, e outros moitos. Fruga considera que a carencia de persoal nas axencias de extensión agraria, "pode supor importantes perdidas para as explotacións agrogandeiras do noso país," e pide que se dote ao agro galego, "dunha nova estrutura adaptada ás novas realidades do mundo rural, co fin de garantir unha maior eficiencia, e facilitar os tramites". |
NOS_7888 | Os casos activos descenderon en 11 en relación ao pasado sábado. Non hai persoas en coidados intensivos por mor da Covid-19. | Os casos activos por coronavirus na Galiza descenderon este domingo en 11 en relación á pasada xornada, pasando de 218 até 207. Baixan en todas as áreas, incluída a de Lugo, aínda que esta, onde se rexistrou un brote significativo na Mariña, acumula aínda 139 deses casos. A de Ferrol, que tiña un, non rexistra xa ningún hoxe. En concreto, segundo a última actualización de Sanidade, dos 207 casos positivos, 139 corresponden á área de Lugo con nove menos que no parte do sábado. Na área da Coruña e Cee serían 30, un menos, malia o foco de Betanzos. Na área de Compostela e Barbanza seguen activos 7 mentres que na área de Ourense serían 5. Por último a área de Pontevedra segue con 9 casos e a de Ferrol xa non conta con ningún. Neste momento non hai persoas en coidados intensivos por mor da Covid-19 e das 8 persoas hospitalizadas, 4 están na Mariña. Os 199 positivos restantes na Galiza atópanse en seguimento domiciliario. Dous positivos en Xermade O foco de COVID-19 detectado en Vilalba sumou outros 2 positivos, aínda que no concello veciño de Xermade. Son familiares das persoas ás que se lles diagnosticou a enfermidade inicialmente. A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, explicou que todos as persoas infectadas, que na actualidade son seis, coincidiron hai uns días nunha comida familiar en Cabreiros, en Xermade, e que agora dúas desas persoas, residentes alí, deron positivo tamén. Tanto os catro afectados de Vilalba como os dous de Xermade atópanse ben e están no seu domicilio illados e con seguimento médico. |
PRAZA_14786 | Entre os 4,5 millóns de euros de axudas a proxectos dinamizadores das áreas rurais galegas cofinanciadas polos fondos ruropeos figura un investimento de 423 mil euros en pistas de pádel. ADEGA acusa o Goberno de "converter o desenvolvemento rural sostible nun instrumento ao servizo da súa política clientelar". | AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) vén de conceder as axudas a proxectos dinamizadores das áreas rurais galegas para este ano, cofinanciadas polos Fondos Europeos. Entre os 4,5 millóns de euros destinados a "servizos básicos para a economía e a poboación rural" co obxectivo teórico de "desenvolver os servizos básicos dos que carece o noso medio rural, a fomentar iniciativas económicas para evitar o abandono, fixar poboación e dar oportunidades aos seus habitantes" figura un investimento de 423.104,8€ para construir oito pistas de pádel noutros tantos concellos: Vilamarin, Forcarei, Mañón, Rodeiro, Santa Comba, Muros, Cabanas e Tui. ADEGA acusa o Goberno galego de "converter o desenvolvemento rural sostible nun instrumento ao servizo da súa política clientelar" ADEGA denuncia a "fraude das axudas europeas, supostamente adicadas ao desenvolvemento rural", que a Xunta "pretendía perpetrar através dun PDR cuxa tramitación destilaba escurantismo, clientelismo e mesmo chegaba a propoñer a privatización da redacción dos instrumentos de xestión dos espazos e paisaxes protexidas, poñéndoos nas mans de madeiristas e asociacións forestais privadas". A asociación acusa o Goberno galego de "converter o desenvolvemento rural sostible nun instrumento ao servizo da súa política clientelar", e os concellos de utilizalo "como caixa B" para realizar "rotondas, paseos marítimos, bairarrúas, coches de policía, piscinas climatizadas, cámpings, reposición do parquet de polideportivos, banda ancha para estacións de esquí... que eran presentadas como proxectos "sustentábeis" para o medio rural". Entre os proxectos subvencionados tamén aparece unha pista de skate en Carral, á que se destinan máis de 60 mil euros Entre os proxectos subvencionados tamén aparece unha pista de skate en Carral, á que se destinan máis de 60 mil euros, melloras nas pistas de tenis en Forcarei (22 mil euros) ou nos vestiarios de varios campos de fútbol, un custe que na Peroxa supera os 111 mil euros e en Rodeiro os 80 mil. Lista completa dos proxectos subvencionados |
NOS_18973 | Aprecia "indicios racionais de criminalidade" por contratar a dedo a unha traballadora durante a súa etapa no concello de Carnota, onde foi tenente de alcalde. O rexedor nesa etapa, José Oreiro, tamén podería ter que sentarse ante o xuíz após unha demanda que impulsou o actual goberno nacionalista da vila costeira. | Crece a lista de frontes xudiciais para o PP galego. Neste caso en Carnota, onde segundo informa o BNG, o fiscal apreciou "indicios racionais de criminalidade suficientes para xustificar unha imputación contra Marisol Piñeiro ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG)", por ter contratado a dedo unha asesora do alcalde pouco despois de conseguir o PP o goberno de Carnota no 2007. Curiosamente a agora deputada do PP no Hórreo, daquela tenente de alcalde, foi implicada polo propio denunciado José Oreiro, ex-alcalde por ser ela quen asinou o contrato presuntamente fraudulento, a pesar de que Marisol tentou desvincularse dunha decisión "que ela non adoptou", segundo asegurou nun escrito no que ademais bota a culpa da súa imputación a que é deputada do PP no Parlamento. A Fiscalía ve claro que o PP de Carnota mentiu no obxecto desa contratación, saltouse os preceptos legais de publicidade, libre competencia e obxectividade na contratación e que ambos @s implicad@s mentiron ante o xuíz ao asegurarlle que manexaron o currículo de vari@s aspirantes ao posto e que a persoa contratada era a de mellores aptitudes. Este extremo foi desmentido polo Secretario municipal, que negou que chegara ningún currículo ao concello. A posíbel imputación de Marisol Piñeiro tería a súa orixe nunha denuncia do actual goberno local de Carnota, do BNG e podería supoñer a súa inhabilitacións en caso de ser condenada, mais primeira haberá que ver como reacciona Núñez Feijóo, que adoita manter no seu posto a imputad@s, se ben di que lles pide que deixen a acta cando son chamados a declarar, como pode ser este o caso. |
NOS_12466 | Malia a aparencia de control que se traslada desde a Xunta, un informe do Sergas da pasada fin de semana xa fala dunha posíbel transmisión comunitaria do coronavirus na Mariña e recoñece o fracaso das medidas aplicadas para o control do brote na comarca. | O pasado día 3, o Sergas reuníase por primeira vez cos alcaldes e a alcaldesa de Viveiro, Foz, Burela, Xove, Ribadeo e Cervo para coordinar as medidas de prevención de contaxios na comarca e pedir a colaboración dos concellos para a contención do foco de coronavirus que nesa xornada sumaba 59 positivos e que unha semana despois case triplica os contaxios, con 144 persoas infectadas. Nesa xuntanza telemática, na que participou, entre outros responsábeis do Servizo Galego de Saúde, o subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, transmitiuse que "os brotes estaban controlados", segundo confirmaba a rexedora de Viveiro, María Loureiro, unha afirmación que xa se viña repetindo nas xornadas previas. Porén, un informe asinado 24 horas máis tarde da xuntanza por ese mesmo cargo do Sergas recoñece que "as medidas dispostas para controlar a transmisión [do brote da Mariña] fracasaron ou non foron suficientes para impedir que a infección se difundise até acabar cun nivel difícil de manexar con medidas de base individual". O documento, que sustenta o confinamento de 14 dos 15 concellos da comarca mariñá que a Xunta ordenou na madrugada do domingo e durante unicamente cinco días, sinala tamén que, a esa altura, con 99 persoas afectadas, "non se pode descartar unha posíbel transmisión comunitaria de baixa intensidade allea ao brote, debida aos casos que aínda non se puideron relacionar con el". O extracto deste documento recóllese nun auto do xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Lugo emitido onte que ratifica, a petición da Consellaría de Sanidade, as medidas de "prevención" adoptadas pola Xunta para controlar o brote, que segundo os últimos datos do Sergas sumaba onte 23 novos contaxios e mantén cinco persoas hospitalizadas nesa comarca, das sete que permanecen ingresadas na Galiza por Covid-19. Nel, o subdirector xeral de Información sobre Saúde recomenda, perante as dificultades para conter o foco, "valorar medidas de restrición de movementos fóra da área de risco e entre concellos da área, para non incentivar os desprazamentos a outras zonas sen restricións que poidan levar a infección, facilitando unha expansión do virus". "En definitiva, para evitar que a infección siga progresando nos concellos afectados e se expanda fóra deles", manifesta. Fechamento "selectivo" O informe era trasladado o pasado día 6 ao xulgado, que avala o fechamento acordado pola Xunta visto o "alto nivel de contaxio" e o "reducido lapso temporal" no que se contabilizaron os casos positivos, mais pola "rapidez da propagación que de por si ten a enfermidade". No seu auto, a maxistrada considera "prudente" o confinamento da comarca, "sen facer exclusión dalgún municipio no que o virus tivera aínda pouca incidencia, porque é lóxico pensar, ao ser estes contiguos territorialmente, que se produza un intenso tránsito ou intercambio entre eles" e advirte das dificultades que suporía, na práctica, a execución das medidas de contención e mesmo o control do "transvase circulatorio". Tan só un día máis tarde, a pasada terza, o presidente da Xunta e candidato do PP á reelección nos comicios convocados para este domingo, Alberto Núñez Feixoo, formulaba a posibilidade de "abrir parte da Mariña" e camiñar cara a un fechamento "máis selectivo" das áreas máis afectadas, após unha reunión co comité clínico experto na que se analizou a tendencia "favorábel" na evolución dos casos, malia que o número de positivos non deixou de medrar nas últimas dúas semanas. Nesa comparecencia, Feixoo manifestaba que o brote "non reviste gravidade". Coordinación dos efectivos de seguridade A solicitude que a Consellaría de Sanidade remitiu esta semana ao xulgado de Lugo para avalar as decisións aplicadas na Mariña facía unha segunda petición, para reclamar da Xustiza que ordenase ás forzas e corpos de seguridade a que presten auxilio preventivo, e, no seu caso, coercitivo, de forma proporcional, para facer efectiva a execución das medidas de control das restricións, desde as limitacións de mobilidade á prohibición de eventos con máis de dez persoas e o mantemento da demora na reapertura de locais de ocio nocturno e discoteca. A maxistrada que asina o auto denega a solicitude co argumento de que ao xulgado "non lle corresponde entrometerse" nun labor de coordinación que é "administrativo e non xudicial", e empraza as distintas Administracións a "colaborar ou coordinarse" para acometer a orde da Xunta e garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía. |
PRAZA_20267 | O Congreso dos Deputados debate a censura de Unidos Podemos ao Goberno do PP nunha prolongadísima sesión. Rajoy cre que o "sucedáneo de programa" de Iglesias sería "letal para o modelo de convivencia que nos demos" AO VIVO | Retransmisión en directo do debate da moción de censura a Rajoy | Xornada maratoniana no Congreso dos Deputados para debater unha moción de censura por terceira vez dende a aprobación da Constitución de 1978 que o creou como tal, unha menos que nas tres décadas e media de historia do Parlamento de Galicia. A configuración regulamentaria do debate provocou que non fose ata tres horas e media despois do inicio do debate cando tomou a palabra quen formalmente é este mércores candidato á Presidencia do Goberno de España, Pablo Iglesias, que durante un discurso dunhas tres horas defendeu o seu programa dende a constatación de que non sairá adiante, combinándoo neste sentido cunha man tendida ao PSOE para un eventual entendemento futuro, unha alternativa de Goberno que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, caricaturiza como "impropia dun país occidental". A encargada de abrir a xornada de debate foi a voceira do grupo propoñente, Unidos Podemos. Irene Montero, cun contundente discurso de case dúas horas que apoiou en boa medida nos casos de corrupción que atinxiron ao PP nos últimos anos. Montero, apupada en numerosas ocasións dende a bancada popular e caricaturizada nas redes sociais por diversos cargos conservadores, citou máis de 60 asuntos que, ao seu xuízo, xustifican "botar" o PP. "Basta xa de corrupción, o seu tempo rematou", proclamou mentres debullaba casos como Gürtel, no que lembrou o papel destacado do ex-número tres do PPdeG, Pablo Crespo, e outros con raíz en Galicia como Pokémon ou o caso Baltar, arquivado recentemente. Montero referiuse tamén á trama Campeón ou á Carioca, se ben esta última non é estritamente un caso de corrupción política. Tras a intervención da voceira de Unidos Podemos despexouse unha das principais incógnitas do debate, que papel xogaría Rajoy nel. O titular do Executivo español retrucou a Montero cun discurso no que, en boa medida, anticipou os reproches que despois lanzaría contra Iglesias, a quen lembrou que tivo a oportunidade de afastar o PP do poder se votase a prol da investidura de Pedro Sánchez na primavera de 2016. Aquel "non", precisamente, pairou en boa medida sobre a intervención inicial do secretario xeral de Podemos, quen non tardou moito en se referir aos socialistas. "Oxalá nos poñamos de acordo para sacar ao PP do Goberno máis cedo que tarde"; "quero pedirlles dende o respecto que tenten poñerse de acordo connosco", sinalou nun contexto no que di "asumir" os "erros que puiden cometer". "Pídolles que asuman os seus e traballen connosco", convidou. Iglesias, ao PSOE: "Oxalá nos poñamos de acordo para sacar ao PP do Goberno; asumo os erros que puiden cometer, pídolles que asuman os seus" Propostas como once medidas "urxentes" para facer fronte á corrupción, unha reforma tributaria para recadar, di, ata 27.000 millóns de euros máis, un plan contra a pobreza ou o incremento do salario mínimo interprofesional ata alén dos 900 euros foron algunhas das iniciativas debulladas por Iglesias na súa presentación ante a Cámara, que diversos cargos populares desdeñaron pola súa duración. Un referendo en Catalunya anexo a unha "reforma constitucional" cun novo modelo para as "nacións históricas" do Estado se a súa poboación "así o esixe" ou un plan contra a violencia machista foron outros dos plans defendidos nun disucrso no que o líder de Podemos sinalou os "concellos do cambio" como a "mellor demostración de que o cambio é posible", asegurou nun pleno ao que asistiron rexedores como os da Coruña, Santiago e Ferrol. Rajoy cre que o "sucedáneo de programa" de Iglesias sería "letal para o modelo de convivencia que nos demos" Rajoy, pola súa banda, priorizou a emenda xeral á intervención de Iglesias sobre as súas propostas, un "sucedáneo de programa de goberno" que "sería letal" para España e para o "modelo de convivencia que nos demos", dixo. No ton retranqueiro que xa empregara para responder a Montero o líder do PP defendeu a súa xestión apoiándose en datos económicos. Para quen seguirá sendo presidente a censura de Iglesias non é moito máis ca un conxunto de "xestos, postas en escena, eslóganes, poses fotograáficas e todo tipo de elementos que funcionan con eficacia na sociedade do espectáculo". "Vostede -proclamou- non debe ser presidente de goberno porque a súa devoción pola política como un mero espectáculo incapacítao como gobernante aos ollos dos españois". Feijóo considera dende a súa viaxe na China que a UE non "entendería" un goberno alternativo no que participase Podemos Tras as sucesivas réplicas entre ambos a presidenta do Congreso, Ana Pastor, resolveu un receso cando o debate se aproximaba ás oito horas de duración. Mentres a sesión se desenvolvía, en Galicia os grupos do Parlamento ordenaban o pleno da vindeira semana. Pola banda da oposición o voceiro de En Marea, Luís Villares, amosou o seu apoio á censura, mentres que o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga combinou a súa crítica a Rajoy con outra ao "espectáculo" que, ao seu xuízo, caracteriza ao líder de Podemos. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou pola súa banda que no transcurso do debate "Galiza estea desaparecida e muda fronte a outras nacións, que se escoitarán con voz propia". A moción de censura no Congreso debátese no congreso mentres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, continúa coa súa viaxe oficial á China. Dende alí considerou en declaracións aos medios recollidas por EFE e eldiario.es que Pablo Iglesias presentou a moción porque considera o pleno do Congreso un mero "plató de televisión", pero que a súa alternativa suporía remudar un "Goberno homologable ao dun país europeo" por outro "impropio dun país occidental". Na Unión Europea, cre, non se "entendería" ese goberno alternativo, polo que conclúe que Rajoy sairá "reforzado" do debate. A moción de censura, minuto a minuto, en eldiario.es |
NOS_38678 | Malia manter un fechamento perimetral, os vehículos cruzaron sen controis a fronteira da Galiza con Portugal. | As novas medidas de alivio que, fundamentalmente, supuxeron unha reapertura xeneralizada da hostalaría na Galiza, aínda que con distintas limitacións, entraron en vigor esta sexta ás 00 horas. Con todo, até o próximo 9 de decembro, Galiza permanecerá fechada en todas as súas fronteiras para evitar os desprazamentos habituais nesta época do ano con festivos. Ademais, un total de 56 concellos teñen restrinxida a súa mobilidade interna. Malia estas limitacións, na mañá da sexta feira, o último día laborábel antes da ponte festiva, vehículos que circularon na fronteira lusa fixérono sen controis policiais de ningún tipo, como se puido comprobar presencialmente. Preguntado a respecto diso nun acto na Coruña sobre a constitución española, o delegado do Goberno na Galiza, Javier Losada, defendeu que as fronteiras como tal "non están fechadas", senón Galiza e lembrou a quen entre no territorio "que non poden pasar de Tui" ou "ten que aterse ás restricións que existen". Pendentes das "instrucións da Xunta" Losada subliñou que haberá durante esta ponte 132 patrullas móbiles para estabelecer os controis das restricións. "Está todo controlado para cubrir as indicacións da Xunta", asegurou, en declaracións aos medios. A este respecto, Losada sinalou que tamén están a esperar que a Xunta os informe "de forma exacta e correcta" sobre os puntos que teñen que estar controlados. Como figura no Diario Oficial da Galiza (DOG) número 211-bis, do 3 de decembro, o comité clínico, á vista da evolución da pandemia no norte de Portugal e da súa situación epidemiolóxica, "moi diferente á de Galiza", instou a Xunta a adoptar medidas temporais restritivas "para evitar desprazamentos de poboación entre estes territorios, tendo en conta razóns sanitarias e epidemiolóxicas" e, en particular, "valorando a proximidade dunha ponte festiva en que é previsíbel que se produza un aumento dos desprazamentos por razóns meramente recreativas, turísticas ou de lecer". |
NOS_38946 | Xi Jinping eríxese en guía absoluto dos destinos do país durante, polo menos, os próximos cinco anos. | O presidente de China, Xi Jinping, foi ratificado este domingo como secretario xeral do XX Comité Central do Partido Comunista de China para un terceiro mandato consecutivo, sen precedentes, que o consolida como líder indiscutíbel do país ao remate dun congreso no que o mandatario presentou en sociedade o seu novo núcleo duro de goberno. O Comité Permanente do Partido comprenderá nomes como Wang Huning, considerado un dos máximos expoñentes da ideoloxía do presidente chinés, ou Zhao Leji, xefe da Comisión Central de Inspección Disciplinaria, o principal organismo de control anticorrupción do partido. Cúpula de poder Xunto a eles estarán os xefes do partido en Cantón, Li Xi; en Shanghái, Li Qiang; e Pequín, Cai Qi, xunto ao que até hoxe era o director da Oficina Xeral do Partido (máximo órgano de información interna), Ding Xuexiang. A axencia oficial de noticias Xinhua sitúa ademais a Li Qiang como segundo na xerarquía do partido, o que o converte no primeiro ministro designado do país unha vez o seu predecesor, Li Keqiang, abandone o seu cargo o ano que vén. O Partido Comunista chinés abre un XX Congreso que marcará o rumbo do país Xunto ao primeiro ministro deixarán a política nomes destacados como os responsábeis do Congreso, Li Zhanshu, ou da Conferencia Consultiva, Wang Yang, no que se trata para todos os efectos dunha substitución total da cúpula de poder que practicamente elimina calquera voz disidente. Todos estes novos nomeamentos acompañarán o presidente chinés no que o mandatario describiu como "unha revolución interna na expedición cara ao futuro" do país chinés co propósito de "manterse firme no afondamento" do plan de reforma iniciado por Xi desde a súa chegada ao poder. Os delegados apoiaron a inclusión de varios conceptos teóricos na constitución: entre eles están os "Dous Estabelecementos" que marcan a posición de poder de Xi Jinping como núcleo do Partido e as "ideas de Xi Jinping para o socialismo ao estilo chinés nunha nova era" como principios fundamentais. China pide ás partes implicadas na guerra en Ucraína que retomen o diálogo "sen condicións" Unha mudanza nos estatutos que obriga os membros do partido a defender a liña política e as actuación de Xi Jinping, que se fai co control absoluto. Socialismo con peculiaridades chinesas No seu discurso final do sábado, Xi fixo un chamamento ao novo Comité Central a seguir "inquebrantabelmente" o camiño do desenvolvemento político do socialismo con peculiaridades chinesas e a adherirse "á unidade orgánica do liderado do partido". Ademais, mostrou a súa disposición para "fortalecer a garantía do dominio popular do país" desenvolvendo "integralmente" a democracia consultiva, promovendo "a democracia popular" e consolidando unha "fronte única patriótica", segundo detallou Xinhua. A marcha de Hu Jintao A clausura do XX Congreso do partido este sábado estivo marcada por un insólito incidente: a saída baixo escolta e a mirada atenta de Xi Jinping do ex secretario xeral do Partido Comunista e ex presidente do país, Hu Jintao (2003-2013) en plena sesión, As imaxes mostran como un bedel tenta levantar a Hu do seu asento mentres o ex presidente parece resistirse. Finalmente, o veterano político de 79 anos ponse en pé e dedica unhas breves palabras ás costas de Xi, quen se limita a asentir, antes de encamiñarse cara á saída. Os Estados Unidos azúan as tensións entre Beijing e Taipei Hu entregou o cargo de secretario xeral a Xi en 2013 despois de dous mandatos. Representa o antigo modelo de liderado "colectivo", conformado por representantes de diferentes faccións e marcados polos límites de idade e mandato, que o actual presidente quere terminar de eliminar nos próximos cinco anos. As interpretacións dos expertos abarcan desde un acto público de purga até unha saída forzada por problemas de saúde. Mais en ambos casos, coinciden, o único punto en común é a humillación que representa para Hu o feito de marchar, obrigado, dun lugar que se resistiu a abandonar desde a súa chegada ao poder: a principal bancada do hemiciclo. |
NOS_5187 | Se o FCB é máis que un clube, Pep Guardiola é máis que un treinador. É hoxe un símbolo, un icone do soberanismo catalán. Sempre atentísimo ao desenvolvimento dos acontecimentos, o míster do Manchester City dedicou esta terza feira a vitoria da súa equipa na Champions [2-1 face ao Nápoles] a Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, en prisión desde segunda por pretensa sedición. | Ao remate do xogo coa equipa italiana, Guardiola tivo unha emocionada lembranza para os líderes da ANC e de Òmnium Cultural, encarcerados pola xuíz da Audiencia Nacional Carmen Lamela en aplicación dunha medida cautelar (o caso está sendo aínda instruído e, portanto, non hai nengunha sentenza contra eles). "É un bon momento para lles dedicar a vitoria. Non hai civismo máis grande que as ideias. Quer Òmnium quer a ANC fixérono sempre todo con civismo, expresando as súas ideas, aquilo que queremos", dixo o treinador. "A tal hora a situación é a que é. Oxalá podan saír o máis axiña posíbel porque agora mesmo é como se todos estivésemos alí [en Soto del Real], a verdade", engadiu. Non só Guardiola se puxo sen o dubidar nen un momento acarón dos líderes soberanistas, o Futebol Club Barcelona -que este serán recebe no Camp Nou, en partido tamén de Champions, o Olympiakos- quixo tamén simbolizar o seu respaldo aos Jordis convidando os números dous de ANC e OC a presenciaren o choque desde o palco de autoridades. |
NOS_55547 | Eli Ríos (Londres, 1976), poeta até esta mañá, vén de destaparse como narradora gañando a primeira edición con modalidade de galego do Torrente Ballester, o premio mellor dotado -con moita diferenza- da literatura galega. | - Vés de gañar o "premio gordo da literatura galega", como o vén de definir o escritor Ramón Vilar no Facebook. E como dicías ti mesma na mesma rede social "os martes e 13 pasan a ser o meu día favorito".- Non teño que agardar ao día 22, efectivamente o premio gordo xa me veu hoxe [risos]. - Gañaches o primeiro Torrente Ballester con modalidade só de galego...- Si, é fundamental e importantísimo o traballo que fixeron na Deputación da Coruña, porque non só dignifica o traballo das autoras, senón que dignifica o premio, que antes compartían tanto en castelán como en galego, e dignifica a todo un equipo enorme que hai por detrás, porque hai un comité elector e un xurado dunha calidade impresionante. E tamén toda unha serie de medios que están postos a prol do galego, sempre defendendo o que é a creación en galego. Teño que dicir que é unha auténtica honra poder estar neste premio e con este novo impulso que se lle deu. Estaba nun momento no que precisaba retos na vida, quería contar unha historia e non me chegaba un poema e precisaba a extensión da narrativa - E ademais é a túa primeira novela, logo de gañar varios poemarios e gañar unha manchea de premios. Como foi que te botaches á narrativa?Pois por necesidade, estaba nun momento no que precisaba retos na vida e quería contar unha historia, non me chegaba un poema e precisaba a extensión da narrativa. Ademais, esta novela ten unha complexidade formal coa que quería experimentar e xogar. Eu sempre o digo, as primeiras que nos temos que divertir co que escribimos somos as autoras. Non é un texto comercial, ten unha voz que é o fluír da consciencia, que xa de por si é moi complicado. Imaxinemos Joyce, todo o mundo opina sobre o Ulyses, pero ninguén o leu, porque é moi complicado de seguir. Para min supuña un reto facer un fluír da consciencia. E a outra voz é un diálogo, non hai un narrador que nos mastigue as palabras ou as situacións. Esixe unha interacción e que a persoa que le traballe nese texto para poder comprendelo e seguir a historia. - E que máis nos podes contar de 'Luns'? Sabemos que é un personaxe feminino diante dunha situación vital dramática e que está escrita con perspectiva de xénero...- A perspectiva de xénero non vén ser outra cousa que unha protagonista que conta a súa propia historia. Estamos afeitas na narrativa a que sexa un narrador -e normalmente masculina- que nos vaia dictando as pautas sobre o que debe sentir ou como se debe sentir ou debe reaccionar. Neste caso é ao revés. A acción márcaa directamente a protagonista a través do que sente e a través do que vai vivindo, que é quen leva a acción adiante. É unha nai dunha nena e dun neno que ten 37 anos e que ten unha vida montada. Nesa vida entra un elemento que a distorsiona, que é un diagnóstico de cancro, que fai que esa realidade cotiá teña outra mirada sobre as relacións sociais, as relacións amorosas, os coidados, que sempre recaen na muller. Iso é o que ofrece 'Luns'. Non lle prestamos atención a esas mulleres que están levantando o mundo, o país e as familias. - Antes dicías que tiñas a necesidade de contar esta historia. Por que?- Porque é unha realidade coa que convivimos diariamente e non lle prestamos nin a máis mínima atención. Desde que os diagnósticos médicos están feitos sobre fisionomías masculinas e despois adáptanse ás femininas. No caso do cancro é moi sangrante o tema. Non funciona igual nun home que nunha muller. A mama dunha muller non ten o mesmo -ímoslle dicir- uso. E un home pode coller unha baixa e meterse un mes na cama, porque está enfermo. Unha muller non, ao mesmo tempo continúa coidando dos fillos, levando a casa, o seu traballo... é unha situación que hai en cada casa. Sempre hai unha nai supermuller e superheroína que pode con todo. E non lle prestamos atención a esas mulleres que están levantando o mundo, o país e as familias. Non lle damos a suficiente importancia e non preparamos as condicións vitais para que esta muller poida descansar un día, concho, que está enferma. Vaime saíndo o xenio segundo ía falando contigo [risos]. - Nada coma a paixón. E a partir de agora que podemos agardar da túa "carreira literaria"? Continuarás pola vía da narrativa ou volverás á poesía?- Non o sei. Se cadra mañá atropélame un camión. En principio agora co que estou é coa colección de 'Mulleres bravas', que presentamos no Culturgal, e logo para os vindeiros meses hai un poemario que saquei coa Fundación Rosalía. María Victoria Moreno é a nai da literatura infantil e nunca se fala dela. Fálase de Neira Vilas, pero nunca dela. E foi fundamental, foi a primeira persoa que puxo nenas protagonistas. - Cóntanos máis do proxecto de 'Mulleres bravas'. - Pois é un proxecto fermosísimo que pretende recuperar as figuras de muller que foron ignoradas ao longo da historia. Pero non procura recuperalas para un público adulto, senón apara o infantil. Son as novas xeracións as que non están a recibir información sobre as mulleres que participaron na historia, así que tomamos personaxes como Rosalía de Castro ou María Victoria Moreno e contarllas á rapazada. Para iso fíxose un cómic, cada volume é un cómic, no que o visual é importantísimo. Non é unha biografía ao uso, é divulgativa para que a rapazada non medre coas mesmas carencias coas que medramos nós. Por exemplo, María Victoria Moreno, que foi o volume que fixen eu, é a nai da literatura infantil e nunca se fala dela. Fálase de Neira Vilas, pero nunca dela. E foi fundamental, foi a primeira persoa que puxo nenas protagonistas en historias de nenas. Por primeira vez as nenas puidemos vernos identificadas nunha historia divertida que liamos na nosa lingua. |
PRAZA_9252 | Despois do 26 só queda a queixa do bar e o tempo perdido no avance da sociedade, que é a peor consecuencia de que gobernen os mediocres. | Está á volta da esquina, o 26 de maio, estamos chamados a elixir as corporacións dos concellos e tamén os europarlamentarios. Toca unha análise do traballo feito e repasar as promesas cumpridas, este é o tópico de sempre. A realidade hoxe é que as máquinas dos partidos están a todo meter, xa se aprecia que non se andan con chiquiñas, mesmo o propio PP ten tensións potentes: Ourense, Viveiro, Ribadeo, Monforte... É tamén a época das enquisas e sondaxes de botar números para as deputacións. Porén estas eleccións que todo o mundo pensaba con menos siglas e máis tranquilas van ser todo o contrario, coido que a mostra está en Ferrol ou Ourense. Cidades onde imos ter máis listas que xente. Tampouco é malo é unha expresión máis do cansazo da xente, que cómpre xestionar.Neste senso é onde eu quería incidir, agora xa non valen queixas nin frases feitas sobre a política e os políticos. Agora é o momento de menos samba e máis traballar. Son dos que opina que todos os cidadáns tiñan que pasar por unha lista electoral, espectro existe para case todo. Coñecer os interiores das candidaturas, organizar campaña e actos, pegadas, falar coa xente... faría que a política recuperase o seu sentido e a súa valía. Moitas das criticas son merecidas seino pero moitas outras son simplemente dogmas e clichés. Acaso non merecen respecto aquelas persoa dunha lista electoral que entregan o seu tempo, ideas e recursos para mellorar os concellos onde viven? Na acción da política non todo son grandes salarios e corrupción, iso é o mínimo, mais entendo que sexa o que cabrea. Mais contra iso existe unha maneira de loitar, que vai máis aló de criticar, chamase comprometerse.Comprometerse cos veciños e veciñas, co teu pobo, coa túa comarca e co teu País que é Galicia, para poñer o teu gran de area na mellora social e no reparto equitativo das oportunidades. E tamén, porque non, para botar da política ós seres depreciables e que aproveitan da situación. Despois do 26 só queda a queixa do bar e o tempo perdido no avance da sociedade, que é a peor consecuencia de que gobernen os mediocres.Anímovos a participar da política, a ser parte da roda que move a sociedade e tamén marca o futuro. Que mellor maneira dignificar esta nobre acción? Porque políticos vai haber e depende de todos nos que sexan os adecuados. Sempre lembro unha frase dun ancián que foi votar, díxome, "vota sempre, este día somos todos iguais, o voto vale o mesmo para todos"Lembrade que non fai moito non se votaba, e os dereitos que non se exercen poden perderse. |
NOS_26640 | Convocadas pola CIG, rexeitan a nova reforma que está a tramitar o Congreso porque consideran que consolida os recortes da anterior | Xubilados e pensionistas da CIG concentráronse esta quinta feira en prazas e rúas de cidades e vilas galegas para rexeitar, máis unha vez, a reforma das pensións que se está a tramitar no Congreso dos deputados porque consideran que "non só non garante unhas pensións dignas senón que mesmo consolida os recortes introducidos coa de 2011". Unhas mobilizacións nas que manifestaron ademais o seu rexeitamento ás propostas lanzadas polo ministro Escrivá nestes días. O colectivo de xubiladas e pensionistas da CIG considera que a non derrogación da reforma das pensións do 2011 implica manter a perda dun 25% nas pensións pola ampliación da idade de xubilación aos 67 anos e o aumento do período de cálculo aos 25 anos. Considera "simple propaganda" a supresión do factor de sustentabilidade porque será substituído polo chamado "mecanismo de equidade interxeneracional" que "suporá novas penalizacións á clase traballadora sen garantir unha suba das contías das pensións". Denuncia que con esta nova reforma tampouco se garante o poder adquisitivo das prestacións porque as pensións mínimas non chegan ao 60% do salario medio do Estado, de acordo á Carta Social Europea, que sería neste momento de 1.150 € ao mes. Non se recupera a xubilación parcial O colectivo sinala que tampouco se recupera a xubilación parcial e que, ademais, segue penalizando a anticipada, atrasando a idade de xubilación e fomentando o aumento da vida laboral, o que, alertan, dificultará aínda máis o acceso ao mundo laboral da mocidade, que se verá abocada á emigración e ao paro. Acusan o Goberno de condenar moitas persoas traballadoras a prolongar a súa vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico, mentres reducen a cota empresarial á Seguridade Social por continxencias comúns durante as incapacidades temporais das persoas maiores de 62 anos, subvencionando as empresas a cargo da caixa da Seguridade Social. |
NOS_43987 | O TC anula, dez anos despois do recurso do PP, algúns artigos da Lei de Ensino Catalá (LEC) mais declara que son conformes á Constitución aqueles sobre o réxime lingüístico. | O Tribunal Constitucional (TC) avala o modelo de inmersión lingüística en Catalunya mas recorta a Lei de Educación aprobada polo Parlament en 2009. O TC anula diversos artigos da la Llei d'Educació de Catalunya que regulaban as etapas educativas de Primaria, Secundaria e Bacharelato ou ensinos como os artísticos por non se axustar á norma estatal básica. Porén, o tribunal declara constitucional os artigos desa lei sobre o réxime lingüístico. A sentenza, que data de 11 de abril mais deuse a coñecer nas últimas horas, resolve o recurso presentado en 2009 polo PP. Considera o TC contrarios á constitución española diferentes preceptos do artigo 112 sobre corpos docentes pois entende que non se pode alterar a estrutura de corpos de funcionariado "establecida pola lexislación básica". O Constitucional toma a pretensión do PP de anular artigos da LEC que regulaban o réxime lingüístico. Por exemplo, avala que alumnos e alumnas que se incorporen ao sistema educativo sen coñecer o catalán reciban unha atención lingüística personalizada que lles permita iniciar a aprendizaxe dese idioma. Tamén mantén o artigo que indica que sexa o goberno catalán quen determine o currículo de ensino de linguas, que comprobe os obxectivos, os contidos, os criterios de avaliación e a regulación do marco horario. Avala o TC que o aranés sexa lingua vehicular en Arán sempre e cando non se prive o castelán e o catalá desa mesma condición. |
NOS_9445 | WOMEX, considerada a maior feira mundial de 'world music', desenvolverase en Compostela do 22 ao 26 de outubro. Prevese que a feira atraia 2.500 profesinais de todo o mundo, incluíd@s 800 programadores e máis de 300 xornalistas. | Para a "world music" WOMEX é a principal cita, o máis prestixioso escaparate do mundo da música de raíz que terá en Compostela o seu próximo escenario. O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura será o lugar de encontro pola mañá mentres, pola noite, distintos teatros, prazas e auditorios da cidade acollerán máis de 60 concertos durante os cinco días nos que se desenvolverá o encontro. 2.500 delegad@s, 1.260 empresas do sector da música de máis de 90 países, 800 programadores e programadoras, máis de 500 selos, editores e distribuidores así como máis de 300 xornalistas e 130 emisoras de radio daranse cita en Compostela durante cinco días nos que as músicas do mundo serán as protagonistas dunha programación cultural na que se inclúen conferencias de 80 especialistas de máis de 25 países ou tamén filmes sobre o fenómeno da wordl music. Será esta a vixésima edición desta feira mundial da música que visitou xa cidades como Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica ou Cardiff. A empresa Nordesía Produccións é a parceira local dunha organización na que partilla con Piranha Musik, con sede en Berlín (Alemaña), que tamén é responsable doutros eventos como Classical: NEXT (Viena), Porto Musical (Recife, Brasil) ou Atlantic Music Expo (AME), en Cabo Verde. Nordesía está presente en WOMEX desde 1997. WOMEX anúnciase tamén como unha oportunidade económica para a cidade e para o sector e,desde a organización, agárdase que o impacto económico no PIB continúe na liña de edicións anteriores nas que rondou os 2,5 millóns de euros mentres o investimento de produción recae, segundo as mesmas fontes, nun 80% en empresas locais. Destacan tamén a o oportunidade que supón para a música galega e para a proxección internacional da nosa cultural e tamén promoción de Compostela no mundo. Na presentación estiveron presentes respresentantes da Xunta como o Conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez, o xerente de AGADIC, ou a concelleira de Turismo de Compostela Reyes Leis, ademais de Vitor Belho por Nordesía. Tres posibilidades para tocar O 18 de abril pechará a convocatoria para que quen queira participar en WOMEX se presente á selección oficial que cada ano realiza un xurado de membros especialistas de todo o mundo -coñecido como 7 Samurais- da que sairán seleccionados que actuarán para unha audiencia de representantes da industria musical galega, entre os que se atopan 800 persoas dedicadas á programación de todo o mundo. Alén desta sección oficial, WOMEX inclúe tamén o Atlantic Connections (escenario local) que estará centrado na música da Península e Latinoamerica, para o que non é preciso ser elixido na primeira selección. Aínda queda unha oportunidade máis para tocar na feira quen non entrara en ningunha das dúas propostas previas. Trátase do offWOMEX Showcase e para actuar na súa programación é preciso pagar. |
NOS_19926 | Esta cuarta feira na Casa do Matadoiro de Compostela, organizada por Esculca. | O Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades Esculca organiza esta cuarta feira un debate sobre a situación das mulleres en prisión. Terá lugar no Auditorio da Casa do Matadoiro de Compostela e será conducido por Yolanda Ferreiro Novo, avogada de Esculca. O obxectivo do debate é examinar coas persoas e colectivos que traballan na defensa dos dereitos da muller as posibilidades de non deixar fóra da loita feminista aquelas que sofren formas de opresión moitas veces descoñecidas. Procúrase analizar a situación en que se encontran as mulleres encarceradas e as posibilidades de forzar reformas que melloren esa situación e abran a vía a un proceso de descarceración como os que foron postos en práctica noutros estados. |
NOS_46867 | A manifestación partirá ás 20h da praza da Peregrina. Conta co apoio de máis de 50 colectivos e busca repetir o éxito de asistencia acadado a semana pasada na Coruña. | O movemento contra as touradas ten unha nova cita este sábado en Pontevedra, logo da exitosa protesta da pasada semana na Coruña. A manifestación partirá ás 20h da praza da Peregrina para esixir non só a "abolición desta práctica de maltrato animal, tamén que se retiren os fondos públicos que manteñen con vida un espéctaculo moi minoritario", explica Rubén Pérez, voceiro da plataforma 'Galiza, mellor sen touradas'. O acto cobra especial importancia, segundo os organizadores, despois da asistencia do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, xunto a outros cargos do PP, á presentación dun libro onde se cualifica as posicións antitaurinas de "nazis". "É parte da estratexia da trama taurina. Desprestixiarnos e facer un uso personalista das institucións públicas. Pasa na Coruña, onde os subvenciona o concello, e pasa en Pontevedra coa Deputación. Financian aos empresarios e tamén a peñas taurinas cos cartos de todos", sinala Pérez. A concentración na cidade do Lérez contará o apoio de máis de 50 colectivos e plataformas. A mañá de este sábado, a organización 'Igualdade Animal' realizou un acto simbólico cunha cadea humana que rodeou a praza de touros de Pontevedra, a única que existe en Galiza, onde asistiron preto de 300 persoas. Os organizadores resaltan que o proceso é xa irreversíbel porque as cifras demostran que as corridas de touros son un espéctaculo residual. Só un 0,8% da poboación galega admite a súa asistencia a eventos taurinos, segundo datos do propio Ministerio de Cultura. |
NOS_25837 | A "paralización" das negociacións entre compañía estatal de gas natural en Alxeria, Sonatrach, e a empresa Naturgy, encargada de xestionar o gas no Estado español, poderían pór en risco ese envío. | Desde que o pasado 18 de marzo a decisión do Goberno español de apoiar a proposta de Marrocos no Sáhara Occidental abrise unha crise diplomática con Alxeria, as relacións políticas entre ambos países víronse moi deterioradas. Máis de medio cento de firmas galegas, afectadas polo parón comercial con Alxeria Alxeria, que até xuño deste ano era o segundo provedor de gas natural do Estado español, só por detrás dos Estados Unidos, asegurou que respectaría as súas obrigas contractuais para o subministro de gas, aínda que nos últimos meses o país africano deu prioridade ás relacións comerciais co seu outro gran cliente, Italia. Porén, a "paralización" das negociacións entre compañía estatal de gas natural en Alxeria, Sonatrach, e a empresa Naturgy, encargada de xestionar o gas no Estado español, podería pór en risco ese subministro. Segundo recollen esta cuarta feira varios medios españois, Alxeria estaría desgustada coa actitude negociadora de Naturgy, que segue sen dar unha resposta á proposta de revisión de prezos de Sonatrach. O Estado español cuadriplicou en xuño a compra de gas a Rusia, que xa supera Alxeria Esta negociación, que comezou pouco antes de que o Goberno español anunciase o seu cambio de postura en relación ao Sáhara Occidental, leva meses parada, despois que a parte alxerina trasladase as súas novas condicións e non recibise contestación pola parte española. Neste sentido, Alxeria podería cortar o envío de gas no caso de que Naturgy non responda nun período de tempo non especificado. Italia e Francia si aceptaron as condicións As empresas encargadas de xestionar o gas chegado de Alxeria en Italia (ENI) e Francia (Engie) xa terían aceptado estas novas condicións. Precisamente, hai dúas semanas o presidente de Francia, Emmanuel Macron, visitou o país africano para dar pé ao comezo das negociacións entre Engie e Sonatrach. Alxeria suspende o Tratado de Amizade e Cooperación co Estado español após 20 anos vixente Unhas conversas das que se obtivo, segundo medios franceses, o compromiso de que Alxeria duplique o seu subministro de gas natural a Francia, cubrindo así 15% das necesidades francesas de gas. Non é a primeira vez que o envío de gas desde O Magreb ao Estado español corre o risco de ser cortado. O pasado ano, o Goberno alxerino ameazou con paralizar o subministro se o Executivo estatal español tomaba a decisión de enviar gas natural de Alxeria a Marrocos a través do gasoduto Magreb-Europa. |
NOS_15685 | O número 275 do semanario Sermos Galiza abre cunha reportaxe que se fai eco da falta de vontade da Xunta de Galiza para poñer límite á extensión da especie por todo o país. Pero hai máis: entrevistamos Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG e Montse Fajardo, autora de Invisibles; afondamos na perda de poder adquisitivo das traballadoras e traballadores; coñecemos máis sobre a actualidade política en Honduras ou sobre os misterios que gardan santuarios espallados por Galiza, entre outros moitos asuntos. | O semanario Sermos Galiza abre o seu número 275 cunha reportaxe relativa ás plantacións ilegais de eucaliptos, árbore que xa superou o medio millón de hectáreas en todo o país cando o plan forestal estabelecía un máximo de 245 mil hectáreas para 2032. A xornalista Montse Fajardo conversa con nós ao redor de Invisibles, libro impulsado polo Concello de Pontevedra onde se relata o maltrato de sete mulleres. Tamén entrevistamos Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, quen apela á necesidade de facer autocrítica en relación ao feito desde 2009 e publicamos unha análise de Anxo Louzao sobre a falla de democracia e participación no sistema educativo. A actualidade política de Cimbabue após abandonar Robert Mugabe a presidencia –o único presidente coñecido pola poboación desde a independencia do país en 1980–, a represión do goberno de Macri sobre o pobo mapuche e unha análise de Edelmiro López e María do Mar L. Fra sobre a necesidade de estabelecer unha estratexia acaída para a Galiza rural do século XXI son outros dos temas recollidos no semanario. Ademais, publicamos unha ampla reportaxe que dá conta da perda de peso dos salarios en relación ao PIB. Abre o Fóra de Serie unha información do arqueólogo e museólogo Felipe-Senén sobre os santuarios da Gallaecia e o seu significado; Mónica Pazos escribe sobre o último libro de Antón Cortizas, con ilustracións de Leandro Lamas, editado pola AS-PG, Anatomía da lingua; Mario Regueira debulla o libro de María Xosé Queizán Rosalía de Castro e o poder sexual e Andrés Castro convídanos a coñecer Sieranevada. Ademais, o colectivo XEA lévanos de visita aos muíños de Vilaboa; coñecemos a peza escollida por Elena Ferro no Museo do Pobo Galego e Alberto González-Alegre e Ángel Cerviño recuperan a traxectoria do pintor recentemente falecido Manuel Moldes. Neste número tamén colaboran Pepe Barro, Xulio Carballo, Marilar Aleixandre ou Guillerme Vázquez. [Podes ler o Sermos Galiza 275 na loxa ou nos quiosques e puntos habituais do país a partir da quinta feira] |
PRAZA_19579 | Ramón Carballo restou importancia á "intimidación" da que foi obxecto unha veciña mentres facía deporte no Paseo do Miño, considerándoa un "feito illado" e afirmando que non foi "agresión sexual". O PSdeG-PSOE acúsao de "retrógrado e machista" e de non defender a vítima | O pasado domingo unha muller que facía deporte no Paseo do Miño, en Lugo, foi asaltada por un home, que a acosou e chegou a realizarlle algún tocamento. Despois de que a muller se resistise á agresión, o home fuxiu do lugar, procedendo ela a denunciar os feitos. En declaracións á Cadena Ser, o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, restou importancia ao sucedido, rexeitando que se puidese considerar unha "agresión sexual", afirmando que "houbo unha intimidación e un achegamento, mesmo algún tocamento, pero non chegou a máis" e sinalando que se trata dun "feito illado". "Tan pronto a persona agredida se manifestou ou puxo algunha resistencia, o agresor desapareceu", engadiu. Carballo restou importancia ao sucedido, afirmando que "houbo unha intimidación e un achegamento, mesmo algún tocamento, pero non chegou a máis" e sinalando que se trata dun "feito illado" As declaracións de Carballo foron respondidas este venres polo voceiro do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Lugo, Álvaro Santos Ramos, que cualificou as palabras do subdelegado do Goberno de "retrógradas e machistas" e acusouno de "desculpar o agresor" e de "non defender a vítima". "Que máis fai falta que un tocamento con claras connotacións sexuais para asegurar que é unha agresión?, preguntouse Santos, que reclamou que "Carballo debe pedir desculpas porque as súas afirmacións si son unha clara agresión á dignidade de todas as mulleres". "Lamentablemente, xa non nos sorprende que un dirixente do PP teña esta visión retrógrada e machista da dignidade das mulleres", engadiu o voceiro socialista. |
NOS_23912 | Investigación da Fiscalía de Suíza. | A Fiscalía suíza segue a furar no entramado financeiro que Corinna Larsen e a súa contorna deseñou para ocultar e xestionar os o seu patrimonio na sombra. Agora as indagacións suízas apuntan como os avogados da amante do rei emérito español Juan Carlos I e ela mesma crearon un armazón de polo menos 12 sociedades offshore e contas opacas en paraísos fiscais mentres estaba co monarca. Segundo publica El País, as contas opacas de Corinna serviron, entre outras cousas, para recibir doazóns do emérito e comprar propiedades conxuntas con Borbón. Detrás de todas estas sociedades offshore con sedes a miles de quilómetros da súa residencia, Larsen xestionou o patrimonio millonario que fixo na sombra do emérito. Perante as preguntas da xustiza suíza Larsen xustifica a legalidade de todas accións, argumentos que non convencen, xa que o caso contra as actividades do ex amante do Borbón continúa. Detrás de todas estas sociedades offshore con sedes a miles de quilómetros da súa residencia, Larsen xestionou o patrimonio millonario que fixo na sombra do emérito A doazón que fixo Juan Carlos I á súaamante o ano 2012 hai tempo que saíu á luz, agora, con todo, sábese que esta transferencia "irrevogábel" fíxose á sociedade instrumental Solare de Corinna. Facer a transferencia a esta sociedade permitíalle ingresar esta doazón no paraíso das Bahamas. "A decisión tomouse porque acostumo visitar Bahamas e amo este lugar. Sendo residente monegasca podía abrir unha conta onde quixese no mundo sen consecuencias fiscais. Creo que é preferíbel non poñer todos os activos no mesmo sitio", declarou. Despois de que a súa xenerosa doazón fóra a parar a unha sociedade nun paraíso fiscal, as contas opacas da súa amante seguen ligando o nome do emérito a actividades sospeitosas para a xustiza. Larsen e os seus avogados optaron por crear outra sociedade para comprar con Juan Carlos I dous apartamentos na estación de esquí en Suíza, Villars-sur- Ollon. A sociedade foi bautizada como Siam Partners S. a. un estaba destinada a recibir "préstamos" do emérito, quen os fixo a través da súa fundación en Panamà Lucum. |
NOS_16948 | Rafael Catalá defendeu "pór controis" para protexer a "confidencialidade" dos procesos xudiciais. | Rafael Catalá propuxo nun acto convocado polo Círculo Ecuestre de Barcelona estabelecer medidas para impedir que os medios de comunicación poidan publicar informacións referidas a procesos xudiciais abertos que deriven de filtracións. O ministro de Xustiza español defendeu, neste senso, abrir un debate político e social a respeito da protencción da "confidencialidade" e a "presunción de inocencia" mesmo se isto supón a fixación dunha "sanción" aos medios de comunicación ou "impor a obriga da non publicación da información". As declaracións de Catalá derivaron nunha fervenza de críticas, as máis desde as redes sociais, ao considerar que a súa proposta constitúe unha vulneración do dereito á información e a liberdade de imprensa. Razón pola que saíu ao paso esta quinta feira para asegurar que as súas verbas foran "malinterpretadas". Catalá defende sancionar as persoas que filtres e coida un "bon debate" trasladar esas sancións aos medios Asegura que nas súas declaracións representan unha "reflexión" sen que esta proposta estea na axenda política do goberno, sinalou. Aliás, acrecentou, "non ten nada a ver con penalizar os medios". "Puxen riba da mesa esta reflexión e xerouse non sei se un debate ou ruído", apuntou Rafael Catalá. "Deberiamos reflexionar sobre se temos que atopar un equilibrio razoábel sobre esta cuestión". Porén, na súa intervención inicial no Círculo Ecuestre e en resposta á pregunta formulada desde as cadeiras de asistentes o certo é que o ministro de Xustiza español avogou por "sancionar con firmeza" ás persoas que filtren informacións referidas a procesos xudiciais e mesmo defendeu que esta "sanción" sería un interesante debate de se "trasladar ao medio" que as publique. |
NOS_53680 | O próximo día 23 de xullo fanse 50 anos da morte do escritor Gonzalo López Abente e a Fundación que leva o seu nome en Muxía lembra a súa figura nunha xornada literaria que terá lugar este sábado día 20 na que se presentará a súa poesía completa e se entregará o premio que leva o seu nome. | O 23 de xullo de 1963 morría o poeta Gonzalo López Abente e cando se cumpren cincuenta anos da data, a Fundación que leva o seu nome promove unha serie de actos que buscan recuperar o lugar da súa obra na nosa historia literaria. O próximo sábado día 20 terán lugar en Muxía os actos centrais da conmemoración, entre eles, a entrega a Daniel Salgado do premio de poesía e a presentación do volume da poesía completa do autor. O programa comezará ás 19.45 cunha ofrenda floral no camposanto no que está enterrado para, ás 20.30 no Salón de Actos do Voluntariado comezar o acto central coa actuación das Pandereteiras de Muxía e a presentación do volume "Poesía Completa de Gonzalo López Abente". A edición da poesía completa está ao coidado de Miro Villar e o libro publícase en coedición da Fundación coa editorial Espiral Maior. O acto de presentación contará coa presenza de Felix Porto (Alcalde de Muxía e Presidente da Fundación), X. H. Rivadulla Corcón (Vicepresidente da Fundación), Miguel Anxo Fernán Vello (Director de Edicións Espiral Maior) e Miro Villar (responsable da edición) Na xornada entregarase tamén o I Premio de Poesía Gonzalo López Abente, a Daniel Salgado polo seu libro "Dos días sombrizos (Diario)". No remate da sesión Charo Vázquez estreará a peza "A pedra da Barca", composta por ela mesma. |
NOS_11261 | O progresivo abandono por parte das administracións do transporte en ferrocarril no interior da Galiza fai que as escasas rutas de proximidade presenten os peores datos de aproveitamento do Estado español. En 2019 ofertáronse 230.000 prazas menos, pero só se perderon dous mil viaxeiros (-4,3%) | A mobilidade por tren segue a ser unha materia pendente na Galiza. Mentres se debate no Congreso o traspaso da titularidade da autoestrada AP-9, os camiños de ferro do país ven como a súa actividade decrece co paso dos anos, agás no Eixo Atlántico (A Coruña-Compostela-Vigo), que move xa dous millóns de viaxeiros ao ano, con crecementos próximos a 4% en 2019, segundo datos do último informe de supervisión do mercado de transporte ferroviario da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC). Neste documento, ao que tivo acceso Nós Diario, o regulador sinala que a rede ferroviaria española segue a ser unha das máis infrautilizadas de Europa, ao obter un índice de intensidade de uso de 35,2 puntos, fronte aos 54 puntos da media europea ou os 78 de Alemaña, país que utiliza a súa rede de transporte ferroviario máis do dobre do que se fai no Estado español. O informe destaca os "rechamantes" datos da Galiza a respecto do número de persoas usuarias dos servizos de proximidadede suxeitos a obrigas de servizo público (OSP), cun índice de aproveitamento de 14% e cunha ocupación de 15% no exercicio 2019. Segundo apunta o regulador, nos primeiros meses dese ano produciuse unha reordenación das circulacións cuxo obxectivo era mellorar os servizos de Ancho Métrico (FEVE). Esta reordenación consistiu en reducir os servizos de menor percorrido, como Ferrol-Xuvia, de 7,6 quilómetros, e aumentar os servizos de maior distancia, como o caso de Ferrol-Ortigueira, con 52,4 quilómetros. Estes cambios melloraron a puntualidade do servizo, mais tamén reduciron as circulacións e as prazas, un "desmantelamento encuberto" que leva anos denunciando a Plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo e que constata o informe da CNMC. No período 2016-2019, o número de viaxeiras reduciuse 32,2%, ao pasar das 73.000 de 2016 até as 49.000 rexistradas durante o ano 2019. Pero o recorte no número de prazas foi aínda maior, de 38,6%, con 328.000 asentos ofertados en 2019, que contrastan cos 535.000 dispoñíbeis tan só tres anos antes. Caída en longa distancia O servizo de proximidade nas comarcas do norte non é a única prestación que perde viaxeiros. Segundo a CNMC, o tren sufriu un descenso de 6,2% no número de persoas usuarias nas rutas entre a Galiza e Madrid, unha caída que aproveitou o avión, que gañou 5% máis de pasaxe ese ano. Na outra das liñas de longa distancia, a que une a Galiza e Barcelona, suspendida e recuperada hai tan só uns meses, a tendencia foi a contraria: aumentou 5,6% o número de viaxeiros mentres que descendeu 5,3% a pasaxe dos avións que cubrían esa mesma ruta, un dato que se explica en boa medida pola retirada de Ryanair do aeroporto de Vigo. Con todo, o informe resalta que "a longa duración dos traxectos fai que o modo ferroviario continúe sen ser unha alternativa competitiva nos desprazamentos que unen Barcelona coa zona noroeste", que son as liñas con menos persoas usuarias. Nos últimos anos, Galiza foi beneficiaria dun forte investimento por parte do Estado español en materia de infraestruturas ferroviarias. De feito, está previsto que este mesmo ano rematen as obras do corredor ferroviario de alta velocidade entre Madrid e Galiza, o que permitirá acurtar os tempos e converter o tren nunha alternativa tanto ao avión como ao vehículo privado. Os esforzos investidores, centrados na Meseta Os esforzos investidores só se centraron no corredor atlántico e na saída cara a Meseta. Pouco se investiu en conexións internas, as que benefician o conxunto da poboación, como o eixo A Coruña-Betanzos-Ferrol ou a conexión de Lugo coa Coruña, Compostela ou Ourense, aínda que nesta última o Goberno español vén de comprometer un investimento de 52 millóns de euros destinados a traballos de mellora. Tampouco se avanzou na creación dunha rede de proximidade que garanta a obriga de servizo público do ferrocarril. Galiza seguirá, pois, a pagar as consecuencias da carencia dun servizo de proximidade propio e da falta de competencias sobre a xestión das infraestruturas ferroviarias |
NOS_9213 | A galega Branca Novoneyra e o brasileiro Márcio-André poñen o luns día 3 no Centro Ágora o pecho á cuarta edición de Poetas Di(n)versos, o ciclo coordinado por Yolanda Castaño. | Ás 20.30 do luns 3 de xuño a poeta galega Branca Novoneyra e o brasileiro Márcio-André clausurarán o programa da cuarta edición de Poetas Di(n)versos, o ciclo de poesía coordinado no Centro Ágora da Coruña pola poeta Yolanda Castaño que comezou no pasado mes de outubro. Cada mes a actividade, dependente da Concellería de Cultura, convoca un encontro de poetas de fóra con voces galegas no único programa estábel de poesía con esta feitura coa que se convida a creacións galegas e foráneas. Desta volta, para poñer fin á cuarta edición, ofrece dúas propostas que teñen en común estar protagonizadas por dous creadores nacidos en 1978, con dous libros publicados e que ofrecen a súa poesía ao público en intervencións nas que botan man da música, o teatro ou a danza. Márcio-André presenta a súa poesía con música, efectos sonoros e da man da performance como modo de expresión. Branca baila os poemas convertendo o recitado nun completo espectáculo. Márcio naceu en Rio de Janeiro e é, alén de poeta, artista sonoro e visual, e Branca, natural de Lugo, dedícase á danza contemporánea, sempre en relación coa poesía. Son, ademais, dinamizadores e promoven diferentes proxectos como o filme "Artaud en Compostela" no que participa André ou o ciclo "Picaversos" que promove Branca Novoneyra en Compostela canda a poeta Olalla Cociña. |
NOS_52407 | Se denunciar a situación de violencia de xénero semella ser a panacea, por que hai mulleres que non o fan? Ao pediren axuda, cal é a atención que se lles presta? Que se xulga: a situación de violencia ou o comportamento de quen a sofre? | Cando o barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas —CIS— di que o desemprego e o terrorismo son os dous problemas que máis preocupan e quen nese momento preside o goberno español comparte tales dores de cabeza "están a pensar en ETA". A loita armada é o único tipo de terrorismo que recoñecen aínda agora, cando a organización anunciou o cesamento definitivo do fogo. Porén, polo conflito armado morreron 19 persoas cada ano, e as asasinadas polo machismo son, de media nese mesmo periodo, 60. "Son tres veces máis, e falamos unicamente das mortas. Isto si que é terrorismo". Rosa Fontaíña fai parte da Rede de mulleres contra os malos tratos de Vigo. Atende, desde 1998, mulleres que denuncian situacións de violencia de xénero. Mais esta lacra non recibe resposta como o problema político que é, senón como un fenómeno illado, individual. "Naturalizouse o maltrato e sufrimos un retroceso ideolóxico". Luísa González, do Observatorio da Mariña pola Igualdade, é avogada. Cando estudante, déuselle por analizar —e comprobar— como os estereotipos inclinaban a báscula da xustiza cara ao lado do privado, das discusións de parella. Eran sentenzas ditadas dos '90 para atrás. Houbo mudanzas, mais non tantas como anos pasaron. Se tocan unha, tocan a todas "Por que cando matan unha muller non nos botamos á rúa, como cando gaña o Celta?" Ao lle preguntar polos xuízos paralelos após sabermos doutra situación machista —como o cliché de se había ou non denuncia previa ou o caso da moza violada en Santiago en decembro, recollido nos media baixo o titular Saíu do pub polo seu propio pé e xunto ao seu agresor— pódelle a xenreira. Unha mistura de intereses políticos e económicos escoran a violencia de xénero até ser analizada non como un problema social, senón como un feito illado do que se pretende culpar a muller "Hai un empeño en culpar as mulleres, e responde a intereses políticos e económicos: insistir en que non houbo denuncia é un xeito de calar as voces das que loitamos", e as 'rifas de parella' saen máis baratas que a violencia machista "cando é o patriarcado quen goberna". Así as cousas, González e Fontaíña cadran en que denunciar unha situación de violencia de xénero está lonxe de ser a panacea. E explican por que. "Non é unha solución mentres non existan os mecanismos para dar resposta a esas mulleres". Desde o Observatorio, o primeiro que recomendan é pór fin á relación de violencia, "mais despois das cun xuíz que entende que a denuncia non ten entidade dabondo porque un empurrón ou un maltrato psicolóxico no ámbito do fogar hai que demostralo, e ela volve para a casa e séntese totalmente culpábel". Aplauden as dúas a lei galega contra a violencia de xénero —aprobada en 2007, co goberno bipartito e "moito mellor que a do Estado" na opinión de Rosa Fontaíña—. A norma recolle formación nos xulgados, na policía e para tod@s @s profesionais que van atender mulleres maltratadas. Mais "hai que dotala de orzamento". A traballadora da Rede de mulleres de Vigo é moi clara cando resume o cambio na loita contra a violencia machista rexistrado coa chegada do PP á Xunta: "destruíron todo o que había feito". Cando o machismo é quen respondeCando unha resolución xudicial determina que os feitos denunciados son constitutivos dun delito de violencia machista, quen denuncia ten recoñecidos uns dereitos —alén das medidas preventivas—, como o chamado 'salario da liberdade'. Fontaíña critica os cartos que van parar á Red Madre ou a leis como a de Familia "que atacan os nosos dereitos e nos devolven á casa", ao privado, ao lugar onde o terrorismo de xénero se torna 'crime por paixón'. "Nos xulgados quéixanse do que custa cada denuncia... Claro! Se a muller aguanta, aforramos! É humillante", remarca Fontaíña. E Luísa González engade que "estamos a vivir unha involución, xa non só social, senón de moitos profesionais que pensan que se non hai un ollo morado ou un parte de lesións non hai violencia, só unha discusión". E é que se as mulleres procuran axuda, é o sistema —patriarcal— o que responde. Cando ETA proclamou o alto o fogo "sobraban policías" e achegouse a posibilidade de que brindasen protección ás maltratadas. "Actúase desde o machismo interrompendo a liberdade delas". Alén da formación, ambas as organizacións botan en falta "compromiso e empatía" na resposta social fronte a esta pandemia. Aínda así, non dubidan que os malos tratos teñen que saír á luz. Claman por unha postura política "que non se víu aínda" para mudar unha atención enque a roupa que vista ela "vai determinaro caso que lle fagan". |
NOS_29582 | Pablo Casado, vicesecretario de Comunicación do Partido Popular, advertiu que a declaración de independencia pode acabar "como hai 83 anos", en referencia ao presidente da Generalitat Lluis Compayns, que foi detido, preso en 1934 na II República e posteriormente, en 1940, fusilado polo réxime franquista. O día despois da manifestación unionista de Barcelona, Casado emitiu un discurso durísimo que non deixa ningún espazo á negociación e até deixou caer a hipótese da ilegalización dos partidos independentistas. | O PP advirte a Carles Puigdemont que "non declare a independencia porque pode que a declaración acabe como a que se fixo hai 83 anos", en referencia ao presidente da Generalitat Lluis Compayns, que acabou detido, preso en 1934 na II República e posteriormente, en 1940, fusilado polo réxime franquista. Casado esclareceu despois que non quería referirse ao fusilamento senón á súa detención en 1934 após declarar o estado catalán (dentro da república federal). Compayns, exiliado en Francia, foi detido o 13 de agosto de 1940 pola Gestapo nazi por orde das autoridades españolas con colaboración de membros da embaixada española en Francia. É levado primeiro a Madrid,e posteriormente ao Castelo de Montjuic en Barcelona para facerlle un consello de guerra sumarísimo sen garantías procesais e, posteriormente, fusilado. Aliás, o PP considera que a manifestación unionista deste domingo en Barcelona é un "novo espírito de Ermua", referíndose ao movemento en Euskadi contra o asasinato de Miguel Ángel Blanco. Casado sinalou, referíndose ao 'procés', que o "nacionalismo revestido de racismo, que é a máis baixa das paixóns" será derrotado como "o terrorismo". Nada que negociar O discurso de Pablo Casado foi extraordinariamente duro. En ningún momento abriu a marxe nen á negociación nen a mediación. "Non hai nada nen que ceder nen que mediar nen que negociar con golpistas", dixo. E acrecentou: "Non hai nada que negociar, España é o país máis descentralizado do mundo, non fican case competencias que transferir". Casado fixo unha especie de remake da intervención abertamente ultra de Vargas Llosa na clausura do manifestación unionista de Barcelona. "O nacionalismo vai estar cada vez máis débil. É a ideoloxía máis sinistra que tivo a humanidade, como dixo Vargas Llosa onte na manifestación" e a seguir definiunse partidario de ilegalizar as formacións políticas que defendan a independencia, en aplicación da mesma Lei de Partidos que puxo fóra da legalidade as organizacións que non condenaban o terrorismo. |
NOS_45322 | A carreira do virus da Covid por burlar a inmunidade e garantir a súa transmisión está a aumentar o risco de infección en persoas vacinadas e previamente contaxiadas. 'Nós Diario' conversa coa profesora e investigadora Sonia Villapol (Bretoña, 1977), que segue a estudar evolución e consecuencias da Covid desde os EUA. | —O coronavirus parece cada vez máis hábil para reinfectar as persoas. Somos máis vulnerábeis a contaxiarnos por segunda ou terceira vez?Hai moitas reinfeccións porque o virus está a circular máis rápido ca nunca. Débese a que a subvariante Ómicron BA.5, que é a máis predominante agora mesmo, leva mutacións na proteína de espiga, o que a fai máis transmisíbel e contaxiosa. Tamén esquiva o sistema inmunitario. Así, as persoas son máis vulnerábeis á reinfección, especialmente se pasaron máis de 90 días desde a enfermidade anterior ou a última picada. Aínda que Ómicron parece máis leve, podería ser un reflexo dos grupos que foron enfermando durante a onda do inverno pasado, xente nova e sen problemas de saúde, totalmente vacinada. Estamos nunha fase de alta inmunidade, por iso semella que Ómicron presenta menos síntomas. Podo reinfectarme de Covid-19 após contaxiarme con Ómicron? Pero está demostrado que é a máis transmisíbel, cun incremento das reinfeccións. E se a inmunidade baixa, a enfermidade pódese agravar. Por iso se recomenda ás persoas de 50 anos ou máis que reciban as segundas doses de reforzo para protexerse da diminución da inmunidade das vacinas. —Con todo, as novas variantes non alteraron a súa utilidade. As persoas que se reinfectan non están a enfermar de maneira grave.Certo, a inmunidade producida polas vacinas ou por infeccións previas segue a reducir nunha alta porcentaxe as hospitalizacións e mortes, e están bloqueando polo momento a gravidade da enfermidade. Na súa maior parte é probábel que as reinfeccións sexan menos graves que as infeccións anteriores, grazas a niveis máis altos de inmunidade. Padecer síntomas de Covid persistente afecta significativamente á calidade de vida, e require unha atención clínica personalizada Lembremos que as vacinas non remataron coa pandemia, pero si salvaron máis de 20 millóns de vidas só o ano pasado. Pero ben é certo que as novas variantes, tal e como está pasando coa BA.5, son até catro veces máis resistentes cas variantes anteriores en persoas vacinadas coa dose de reforzo, protexendo un pouco menos. —Hai forma de sortear este avance do virus que promete máis contaxios e reinfeccións?A resistencia da resposta inmune que está a producirse coa evolución das variantes do SARS-CoV-2 non consiste só en neutralizar anticorpos. Tamén está a implicar a nosa inmunidade innata, bloqueando o interferón, a nosa primeira liña de defensa fronte ás infeccións por Covid. A inhibición máis extensa do interferón é unha característica distintiva de BA.4-5, en comparación con BA.1, BA.2 e variantes anteriores de preocupación, como se mostra nun informe recente; polo que a medida que transcorre o tempo a nosa inmunidade baixa e as novas subvariantes son cada vez máis transmisíbeis e darán lugar a máis contaxios e reinfeccións entre as persoas vacinadas. A forma de frear a transmisión é coas vacinas nasais, para acadar a inmunidade das mucosas respiratorias A solución está en romper a cadea de transmisión para a contención do virus, reducindo así a posibilidade de desenvolver Covid persistente. A forma de conseguir isto é coas vacinas nasais, para acadar a inmunidade das mucosas respiratorias en toda a poboación e frear a transmisión. Aínda que nos parece que xa todo rematou, non é así se o virus segue coa súa capacidade acelerada para evadir a nosa resposta inmune e aumentar a súa transmisibilidade. Fai falla que as seguintes vacinas poidan bloquear o contaxio e non desperdiciar o éxito inicial das vacinas. Un exército contra a Covid: así actúa o sistema inmunitario fronte ao coronavirus —Cada contaxio aumenta a posibilidade dunha Covid persistente?Sen dúbida, cada infección engade risco na sintomatoloxía tanto na fase aguda como na postaguda, polo tanto, a medida que nos reinfectamos é máis probábel que padezamos Covid persistente. Cada infección supón un novo risco que é acumulativo. Incluso a Covid leve pode arrastrar síntomas persistentes. A xente pode ter a idea errónea de que cunha infección anterior o seu sistema inmunitario combaterá de forma máis eficaz a seguinte, pero non é de todo certo debido á fuga inmune da BA.5 e a pouca protección que ofrecen as infeccións en comparación coas vacinas. Ómicron ten un 50% menos de probabilidades de causar Covid a longo prazo que a súa predecesora Delta Non podemos pensar que as reinfeccións van ser leves e que non suporán un problema importante a longo prazo. As reinfeccións aumentan o risco de problemas pulmonares e cardíacos, fatiga, trastornos dixestivos e renais, diabetes e problemas neurolóxicos a longo prazo. —Que relación garda Ómicron coa Covid persistente? Ómicron ten un 50% menos de probabilidades de causar Covid a longo prazo que a súa predecesora Delta, pero estes datos dependen da inmunidade máis que da capacidade infecciosa de cada variante. Ademais, aínda que a taxa de Covid de longo percorrido parece ser menor, moita xente infectouse e reinfectouse, polo que o número real de persoas afectadas por Covid persistente coa variante Ómicron é moi alto. Lucía Estrada, doente de Covid persistente: "Vivo nunha constante febrícula e cada esforzo pon o meu corpo ao límite" Un estudo recente de Inglaterra, que incluíu a mil persoas con Covid persistente, identificou que 19% estaban infectadas con Ómicron, 27% con Delta e 33% antes de Alfa. Outros datos apuntan que 4,5% dos casos Covid tras a onda de Ómicron padeceron síntomas persistentes comparado con 10% de durante o período de Delta. Ademais, o raro e potencialmente fatal Covid MIS-C pediátrico (síndrome inflamatorio multisistémico), que tamén arrastra síntomas persistentes, diminuíu notabelmente con Ómicron, que é un 95% menos que con Alfa. Precísanse máis datos para avaliar o impacto real nas persoas infectadas polas mesmas variantes, e sobre todo para coñecer o impacto da subvariante BA.5. —Advírtense novos síntomas a longo prazo?As subvariantes de Ómicron BA.4 e BA.5 son as máis transmisíbeis e agora están a provocar reinfeccións masivas porque portan mutacións clave que lles axudan a escapar dos anticorpos xerados tanto polas vacinas como polos fármacos, e pola maioría dos tratamentos con anticorpos, o que deixa a moitas persoas vulneábeis á reinfección e, polo tanto, a un maior risco de desenvolver Covid-19 persistente. Para as persoas que foron vacinadas pero que non tiveron a dose de reforzo, os síntomas típicos incluían máis tose, máis febre e máis fatiga que os que recibiron doses adicionais. As persoas con néboa cerebral descríbense como previamente sas e algunhas apuntan unha infección aguda leve Aínda que os síntomas iniciais despois da infección con Ómicron poden ser leves, non significa que as persoas non poidan experimentar fatiga crónica, dores de cabeza e trastornos do sono durante catro ou máis meses despois da infección, aínda que fosen vacinadas. As persoas con néboa cerebral, un síntoma da enfermidade que pode manifestarse como perda de memoria ou falta de concentración, descríbense como previamente sas e algunhas apuntan unha infección aguda leve. Pilar Rodríguez Ledo: "O perfil maioritario da Covid persistente é o dunha muller de entre 36 e 50 anos" Tamén as diferentes variantes do SARS-CoV-2 poden dar lugar a diferentes síntomas persistentes. Por exemplo, coa versión orixinal da variante Ómicron, a perda de sabor e olfacto non era tan común como coas variantes anteriores Alfa e Delta. Non obstante, coa propagación de BA.4 e BA.5, ese síntoma parece que volveu. Tamén sabemos que as mulleres superaban en número aos homes en ambos os grupos, un 55% para Ómicron e un 59% para Delta. Pero as persoas de ambos os grupos tiñan unha idade similar (53 anos de media) e tiñan unha taxa similar de comorbilidades (arredor de 19%). —Algúns estudos apuntan tres causas como as máis probábeis: coágulos de sangue de pequeno tamaño, virus persistente no organismo e sistema inmunitario descontrolado. Que se sabe?Existen varias hipóteses que explicarían a causa da Covid persistente e algunhas poden coexistir, polo que deberían considerarse tratamentos personalizados. Pénsase que se debe a unha inflamación crónica como resultado dunha resposta inflamatoria esaxerada no corpo que se transforma rapidamente en inflamación, dano microvascular e formación de pequenos coágulos. Outra causa son os reservorios do virus que o organismo non foi capaz de eliminar por completo. Recentemente descubriuse que a proteína espiga do SARS-CoV-2 estaba presente en 65% dos pacientes con Covid persistente até un ano despois da infección Recentemente descubriuse que a proteína espiga do SARS-CoV-2 estaba presente en 65% dos pacientes con Covid persistente até un ano despois da infección. Isto produciría a inflamación crónica nos tecidos que provocaría algúns dos síntomas asociados. Tamén se di que este reservorio viral produce disbiose da microbiota intestinal e alteracións gastrointestinais e do sistema inmunitario. Finalmente, a autoinmunidade e o ataque aos nosos tecidos por autoanticorpos xerados despois da infección. —Un 30% dos doentes con long Covid refire síntomas neurolóxicos. Son os máis comúns?Antes da pandemia xa sabiamos que as enfermidades virais poden causar inflamación que afecta o cerebro, e a Covid-19 non ía ser unha excepción, de feito, os síntomas da enfermidade persistente son principalmente os neurolóxicos. No noso estudo de Covid persistente publicado en Nature Scientific Reports o ano pasado identificamos un predominio de síntomas como a perda do olfacto e do gusto, mareos, confusión, ansiedade, perda de memoria e mesmo paranoia asociada ao sistema nervioso. Os síntomas neuropsiquiátricos ou os danos cerebrovasculares requiren un maior período de tempo para recuperarse, polo que o Neuro-Covid persistente é máis duradeiro e, lamentabelmente, estes síntomas carecen de tratamentos eficaces. Sonia Villapol, neurocientífica: "Hai quen non puido volver ler unha páxina dun libro despois da Covid" Os síntomas poden ser únicos, múltiples, constantes, transitorios ou flutuantes, e a súa natureza pode cambiar co paso do tempo. A boa nova é que van remitindo co paso do tempo, desaparecendo moitos deles transcorrido un ano da infección, e tamén a inmunidade adquirida polas vacinas ou infeccións previas fai que os síntomas da Covid persistente diminuían. Pero é certo que moitos perduran, sobre todo os que afectan ao sistema nervioso, entre eles a fatiga crónica ou a morbilidade psiquiátrica, que poden seguir sendo clinicamente significativas anos despois. —Moitas doentes denuncian que seguen a ser invisíbeis. Que ten que pasar? Existe unha importante resistencia a recoñecer os síntomas persistentes, que son unha realidade clínica en adultos, crianzas e adolescentes. Pero a evidencia acumulada até a data demostrou que a Covid persistente é unha entidade clínica non totalmente definida nin coñecida, e con poucas asociacións diagnósticas e fisiopatolóxicas, e isto é o que fai complexo un diagnóstico e unha atención médica. Por fin, o Ministerio de Sanidade definiu a Covid persistente coma conxunto de síntomas multiorgánicos despois do resultado positivo da infección do SARS-CoV-2, e que non foron atribuíbeis a outras causas. Unha definición moi xenérica que deixará a moita xente fóra por non poder demostrar o diagnóstico ao non facerse ao seu tempo a proba PCR oficial. Precísanse pautas clínicas, mellores marcadores e tratamentos para abordar o diagnóstico e manexo da enfermidade Tampouco hai tratamento para os síntomas persistentes até o momento, pero todos deben ser analizados polos especialistas que correspondan e canto antes para evitar que se convertan en secuelas. Aínda se están investigando as causas, os marcadores de diagnóstico e sen dúbida os tratamentos e terapias de rehabilitación. A Covid persistente afecta menos aos nenos, nenas e adolescentes que aos adultos, é dicir a prevalencia dos síntomas é moito menor, pero isto non significa que non poida afectar seriamente nas crianzas. Tamén sabemos que os síntomas dependen en gran medida do tempo que pasou despois de ter a Covid aguda. Padecer síntomas de Covid persistente afecta significativamente á calidade de vida, e require unha atención clínica personalizada. Hai unha clara necesidade de máis investigación sobre a fisiopatoloxía, a sintomatoloxía, as causas e as consecuencias da síndrome poscovid. Os efectos do coronavirus no cerebro poden producir covid persistente Precísanse pautas clínicas, mellores marcadores e tratamentos para abordar o diagnóstico e manexo da enfermidade. Requírese máis conciencia social para apoiar os sistemas de xestión clínica, monitorizar casos, estabelecer programas de rehabilitación e deseñar pautas e investigación terapéutica para comprender mellor a carga da Covid a longo prazo. |
PRAZA_9544 | O movemento feminista volve sacar ducias de milleiros de persoas ás rúas de vilas e cidades galegas "por todas as mulleres, por todos os dereitos", nunha xornada marcada pola diversidade e a unidade contra o machismo | É difícil pensar nun movemento social e político que sexa quen de facer historia dúas veces en doce meses na Galicia da segunda década do século XXI. Nun movemento que non sexa o feminismo. A masiva manifestación unitaria do pasado domingo en Lugo anticipaba xa unha previsión de alta participación na xornada de folga e mobilización deste 8 de marzo. Pero, como hai un ano, o movemento feminista desbordou en rúas e prazas de vilas e cidades galegas. É difícil pensar nun movemento social e político que sexa quen de facer historia dúas veces en doce meses na Galicia actual. Nun movemento que non sexa o feminismoApenas transcorrera a metade do día e a xornada xa apuntaba a éxito de mobilización. As centrais sindicais avanzaban que as quendas de noite emitían bos sinais e en cidades como Vigo ou A Coruña, monumentos emblemáticos e lugares ben visibles chamaban á folga "por todas as mulleres, por todos os dereitos". Dende o Parlamento chegaba tamén un significativo sinal político; as dúas comisións que estaba previsto celebrar este venres tiveron que ser suspendidas por falta de quórum. Non acudira ningunha deputada, tampouco as do PP, cuxo líder clamaba case ao mesmo tempo en Madrid contra "os organizadores" da folga.O rexeitamento de Casado en concreto e de dirixentes da dereita en xeral á convocatoria feminista do 8M estivo moi presente nas faixas e consignas que dende a metade da mañá ateigaron infinidade de rúas. Incontables ríos humanos encheron de lila a paisaxe: en forma de poderosa "treboada feminista" dende os catro puntos cardinais de Santiago, como concentración que tornaba en manifestación na Coruña ou cos puntos habituais das protestas cidadás ficando pequenos ante a masiva concorrencia de mulleres en Vigo, Ourense, Pontevedra, Ferrol ou Lugo. Houbo multitudes nas cidades xa durante a mañá. E, proporcionalmente, tamén en pequenas vilas e cidades de múltiples puntos do país. Lalín, A Estrada, Rianxo, Cangas, Vilagarcía... Foron moitas as prazas de vilas nas que ecou o berro feminista. Tamén en Vilalba, onde mesmo o monumento a Manuel Fraga apareceu cun mandil chamando á folga. Alí unha das protagonistas foi Pilar, unha muller que se move en cadeira de rodas e que leva seis anos a denunciar que unha obra do Concello de Abadín lle impide saír da casa sen axuda.Mentres a Xunta optaba por un perfil discreto, lonxe da masiva mobilización das rúas pero tamén da estridencia da cúpula do PP, os colectivos feministas como Galegas 8M, Marcha Mundial das Mulleres, Plataforma Feminista Galega e numerosos movementos locais tomaban as rúas. Con elas, representantes das principais forzas políticas da esquerda, que moi maioritariamente optaron tamén polo segundo plano entre as multitudes.Inmensa diversidadeEstas multitudes eran diversas no sentido máis amplo do termo. En idade, en profesións, en orixes... E así o amosaron, aínda con máis amplitude, nas manifestacións da tarde, onde os centros das sete principais cidades e algunhas vilas volveron rebordar, pero con moita máis amplitude que durante a mañá. Salferidas entre a concorrencia figuraban rostros de dirixentes de todas as formacións políticas da esquerda. E, en cidades como A Coruña, Vigo ou Ourense, tamén do PP.A esa hora as centrais sindicais xa consideraban a folga un "éxito", especialmente en sectores con gran presenza feminina, e persoas que non secundaran o paro laboral si o fixeron coas manifestacións.Ducias de miles de mulleres, pero tamén moitos homes. Familias enteiras, grupos de amizades, agrupacións profesionais, organizacións políticas e sindicais secundaron o chamamento feministaDucias de miles de mulleres, pero tamén moitos homes. Familias enteiras, grupos de amizades, agrupacións profesionais, organizacións políticas e sindicais secundaron o chamamento feminista. O adxectivo "histórico" comezou a ecoar polas rúas galegas no serán do 8M cando, en gran parte das convocatorias, moitas persoas se preguntaban, na parte final das manifestacións, se a cabeceira comezara ou non a camiñar. "Feminismo para adiante, machismo para atrás", "revolta feminista", "aquí está, aquí se ve, o feminismo galego en pé", coreouse incesantemente. Tamén foron múltiples os cánticos contra a precariedade laboral, a fenda de salarial de xénero e, moi especialmente, contra os asasinatos machistas. Nas pancartas e carteis, moitos deles feitos na casa, proliferaban o rexeitamento do machismo e a esixencia de rúas e vidas seguras para todas as mulleres: "As marchas da Coruña (40.000 persoas, segundo a Policía Local), Santiago (unhas 20.000) e Vigo (105.000, indicou a Policía Local) foron as máis numerosas. Pero o clamor feminista tamén fixo rebordar os centros de Ourense, Lugo, Pontevedra e Ferrol e de moitas vilas. Poucas persoas dubidaban, ao remate das manifestacións, que doce meses despois o feminismo galego lograra outro día histórico. Nas rúas, nos centros de traballo, nas casas e mesmo nas pantallas de televisión. Sirva como nota para a historia do país que este 8M a folga feminista mesmo logrou que tivese que suspenderse o Luar da TVG. |
NOS_54776 | "É a oitava persoa con responsabilidades políticas na catástrofe que foi premiada", aseguran nun escrito publicado na súa web. | A Plataforma Vítimas Alvia 04155 tildou de "ofensa" e "mofa" a proposta e máis que probábel elección de Ana Pastor como nova presidenta do Congreso, "a terceira autoridade do Estado", afirman. A que foi ministra de Fomento desde 2011 e máxima responsábel en materia ferroviaria cando aconteceu o accidente de Angrois, é a proposta do Partido Popular para asumir este cargo na XII lexislatura. Con 81 falecidos e 144 feridos é unha auténtica mofa para as vítimas Desde a asociación de vítimas aseguran que se trata da "oitava persoa con responsabilidades políticas na catástrofe que foi premiada". Con anterioridade, o ministro de Xustiza en funcións, Rafael Catalá, tamén pasou de secretario de Estado de Infraestruturas a contar cunha carteira no goberno e, de ser elixida Pastor, asumirá até se conformar novo executivo as competencias de Fomento. "Con 81 falecidos e 144 feridos é unha auténtica mofa para as vítimas, que vemos con dor e indignación como é nomeada para un cargo de tan alto nivel", sinalan. Desde a Plataforma lembran que a súa elección como presidenta do Congreso --que coincide no tempo co encontro entre Fomento e as vítimas-- ten lugar apenas unhas semanas despois de facerse público o informe elaborado pola Axencia de Seguridade Ferroviaria europea na que se censura a falta de independencia da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF). "Un informe que certifica o inclumprimento da Directiva europea de Seguridade Ferroviaria por parte do seu ministerio" para alén de "varios autos" xudiciais que apuntan "a falta de colaboración coa xustiza por parte de Renfe e Adif", acrecentan. |
NOS_3583 | Denuncia a cesión do contrato de supervisión da calidade do complexo hospitalario a unha empresa de una ex-alto cargo o PP que tivo responsabilidades na comunidade madrileña. | A deputada de AGE Eva Solla denunciou o que o grupo parlamenmtar considera "un novo caso de porta xiratoria" no novo Hospital de Vigo e que parte da cesión do contrato de supervisión da calidade a un ex-alto cargo do Partido Popular que tivo responsabilidades no goberno da Comunidade de Madrid canda Juan José Güemes, ex-conselleiro de Sanidade. AGE sostén que a adxudicación fíxoa a empresa pública Galaria a prol de Efficientia Clinical S.L, que se constituíu, aseguran, cun capital de 3.000 euros hai catro meses a propósito para ese contrato. Esta empresa, afirma Solla, ten a súa sede na morada da ex-viceconselleira de Sanidade da Comunidade de Madrid e vai obter pola adxudicación 4 millóns de euros. Alternativa Galega de Esquerdas anuncia que avaliará a posibilidade de, canda outros grupos parlamentares, pedir unha comisión de investigación sobre este tema. |
PRAZA_1626 | O Consello Económico e Social presentou este xoves a súa Memoria sobre a situación económica e social de Galicia, na que analiza distintos aspectos da realidade social e lle critica ao Goberno o atraso na publicación de datos sobre a RISGA ou as Axudas de emerxencia social. | O Consello Económico e Social (CES) presentou este xoves a súa Memoria sobre a situación económica e social de Galicia correspondente ao ano 2014, un documento que analiza distintos aspectos da realidade social galega, e realiza unha serie de recomendacións dirixidas ás distintas admistracións para mudar aqueles aspectos nos que detecta maiores eivas. O informe salienta que "a mellora dos datos macroeconómicos ao longo do ano 2014 pon de manifesto un cambio de tendencia que debe ser apoiado dende os poderes públicos para acadar a súa consolidación" e tamén "para corrixir os desequilibrios que persisten na nosa economía, como a aínda débil actividade dos sectores, o elevado endebedamento e as persistentes taxas de desemprego". Unha das críticas máis directas que o CES lle realiza ao Goberno refírese ao atraso na publicación de datos "en ámbitos especialmente sensibles" como os da Risga e as Axudas de emerxencia social, "nun contexto tan difícil como o actual" Unha das críticas máis directas que a memoria do CES lle realiza ao Goberno galego refírese ao atraso na publicación de datos "en ámbitos especialmente sensibles" como os da Risga e as Axudas de emerxencia social, "nun contexto tan difícil como o actual onde hai un número elevado de fogares en dificultades e de persoas que levan máis de 2 anos en situación de desemprego". Porén, o informe fai suxestións e demandas noutras áreas. Demografía: Para o CES, "a inercia demográfica galega necesita, para cambiar a súa tendencia, dun crecemento económico sostible, duradeiro e xerador de emprego, con atención especial ás áreas estratéxicas, asentado sobre políticas activas de conciliación familiar". Economía: O CES reclama "unha maior atención para o sector industrial que frene a reducción do seu peso relativo". Así mesmo, lembra que "o sector agrario actúa tamén como instrumento de fixación da poboación no sector rural" e que "por iso, cómpre desenvolver políticas que sitúen ó sector primario como un dos sectores estratéxicos e de futuro da economía galega". Ademais, o CES considera necesario "apoiar a rexeneración do sector da construción a través da innovación, a recualificación da man de obra, a rehabilitación, a sostibilidade e a eficiencia enerxética". Finalmente, o CES pide "eliminar os obstáculos que persisten no acceso ao financiamento e dotar de créditos tanto ás empresas como aos fogares". O CES considera "moi preocupante" a situación "dos parados maiores de 45 anos e dos parados de longa duración, en moitos casos con cargas familiares" Emprego: O CES considera "moi preocupante" a situación "dos parados maiores de 45 anos e dos parados de longa duración, en moitos casos con cargas familiares", polo que insta aos poderes públicos "a que adopten medidas que palíen a situación actual e que fomenten a reinserción laboral". Ademais, ante os riscos de polarización e incremento das desigualdades laborais, o CES "considera fundamental potenciar unha oferta educativa e formativa que favoreza o aproveitamento de novas oportunidades e dinamice o mercado de traballo". Sanidade e benestar: O CES insta a "garantir unha sanidade de calidade que faga frente á presión asistencial existente en Galicia derivada da súa estrutura demográfica e territorial". Insta aos poderes públicos a levar a cabo "as medidas necesarias para erradicar a crecente problemática da pobreza infantil". Tamén demanda "a creación de centros públicos para a atención a persoas con enfermidades mentais, dotando aos mesmos de prazas específicas para atención a menores, tanto para ingresos hospitalarios como para atención ambulatoria". Demanda "a creación de centros públicos para a atención a persoas con enfermidades mentais, dotando aos mesmos de prazas específicas para atención a menores" Risga e pensións: O CES critícalle á Xunta o atraso na publicación de datos "en ámbitos especialmente sensibles" como os da Risga e as Axudas de emerxencia social, "nun contexto tan difícil como o actual onde hai un número elevado de fogares en dificultades e de persoas que levan máis de 2 anos en situación de desemprego". De igual xeito, pide que se "tomen todas as medidas necesarias para que todas as persoas que teñan recoñecido o dereito a unha prestación por estar nunha situación de dependencia accedan á mesma, eliminando así a lista de espera existente". Así mesmo, o CES reclama "un maior compromiso para a sostibilidade e consolidación do sistema de pensións, baseado na solidaridade e a equidade". Ensino: O informe alerta do importante abandono educativo temperán, pois no último ano en Galicia en torno a 18 de cada 100 mozos con idades entre 18 e 24 anos non remataron a segunda etapa da ESO e non seguen ningún tipo de estudo. E salienta que "a educación universal debe ter como elementos de base a equidade, o fomento da igualdade de oportunidades e da conciliación familiar, para o que os programas de bolsas e axudas públicas concedidas polas diferentes administracións son esenciais". Alerta que "despois de catro anos de severas restricións á contratación e á promoción por mor da taxa de reposición en todo o sector público, a calidade da investigación e da docencia está sufrindo fortes presións" Universidade: En canto á universidade, o informe destaca que o seu valor "está asociado á excelencia profesional do seu profesorado". E destaca que "despois de catro anos de severas restricións á contratación e á promoción por mor da taxa de reposición en todo o sector público, a calidade da investigación e da docencia está sufrindo fortes presións que se prolongarán durante moitos anos", apostando por "deseñar un programa de captación de talento cun estándar internacional". A Memoria do CES destaca que "o gasto interno en I+D en Galicia, público e privado, volve a reducirse no ano 2013" I+D: No apartado dedicado a investigación e tecnoloxía, a Memoria do CES destaca que "o gasto interno en I+D en Galicia, público e privado, volve a reducirse no ano 2013, último dispoñible, situándose en 468,7 millóns de euros, case un 4% inferior en relación ao ano anterior" e que "este descenso está motivado tanto pola caída do gasto en I+D das empresas, que se reduce un 4,2%, como do gasto público, que cae un 3,7%". Sinala que, en consecuencia, a porcentaxe de gasto sobre PIB redúcese ata o 0,86%, fronte ao 0,89% do ano anterior, sendo a porcentaxe do 1,24% no conxunto do Estado e do 2,02% na UE-28, moi lonxe do obxectivo recollido na Estratexia Europea 2020 (3%) e mesmo do obxectivo do Plan galego I2=C de acadar o 2% do PIB para 2015. Memoria sobre a situación económica e social de Galicia 2014 (.pdf) |
PRAZA_6164 | Privatizan, mais non o recoñecen. A Consellería defende pola mañá o SSP, e pola tarde véndeo por parcelas. É a estratexia da impostura, marca de identidade do presidente Núñez Feixóo | O proceso de privatización do sistema sanitario público galego é xa un feito e segue un plan O proceso de privatización do sistema sanitario público galego é xa un feito e segue un plan. Os colectivos na defensa da sanidade pública (SOS Sanidade Pública e a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública), así como os sindicatos maioritarios (nomeadamente CIG Saúde) levan tempo informando, explicando e denunciando -con datos obxectivos e verificabeis-, as decisións do goberno de Núñez Feixóo de ofrecer ás empresas privadas o que é patrimonio de todos nós. A ninguén se lle escapa que o deseño desta privatización, xa en marcha, non nace da testa da Conselleira Rocío Mosquera e do seu equipo de "encargados" –nunca faltou un roto para un descosido, nin un corno para un atrevido-. As ideas son emprestadas. Eles son simples mandados entusiastas. O plan de privatización do sistema sanitario público (SSP) afecta a todo o Estado Español, ben visíbel naquelas comunidades onde goberna a dereita neoliberal, chámese PP ou CiU -ca cobertura lexislativa que cómpra, dada polo goberno central de Rajoy-; e defíneno os grandes grupos económicos vencellados á industria farmacéutica, ás corporacións sanitarias privadas, ás de biotecnoloxía e ás aseguradoras, que actúan directamente sobre as administracións, ou mesmo por medio de grupos de presión. Nuns recentes artigos, Pablo Vaamonde dá datos e referencias sobre os lobbies que están a actuar en connivencia cos responsabeis políticos e con profesionais afíns para, baixo a tapadeira da eficiencia na xestión e sustentabilidade do Sistema, quedárense co anaco do pastel orzamentario sanitario (millóns de euros anuais). Pero hai máis. Como sinala ese autor, o eminente cambio nas relacións comerciais (futuro acordo EUA-UE, ca introdución de empresas norteamericanas), e no marco lexislativo e institucional comunitario da UE, unha vez acadada a privatización do SSP, a volta atrás podería ser case imposíbel, ou a un custe inasumíbel polas comunidades autónomas. Cómpre indicar outro elemento neste proceso: a aprobación dunha taxa de reposición do persoal sanitario -limitadora do recambio de profesionais-, está a ser o elemento decisivo no debilitamento do SSP Na Galiza levan tempo movendo ficha: privatización de servizos hospitalarios chamados pola Consellería como "non sanitarios"; privatización das unidades de esterilización; xestión e financiamento dos novos hospitais; cesión de recursos millonarios de investigación e investimentos en nova tecnoloxía a grupos privados; lexislación autonómica sobre tempos máximos de espera, que "obriga" á derivación a centros sanitarios privados. Ademais das novas formas organizativas anunciadas (o despece do SERGAS nas Áreas de Xestión Clínica), acompañada dos cambios lexislativos ad hoc que posibilitan a entrada de capitais privados. Mais cómpre indicar outro elemento neste proceso: a aprobación dunha taxa de reposición do persoal sanitario -limitadora do recambio de profesionais-, está a ser o elemento decisivo no debilitamento do SSP. Esta ten sido a peor agresión realizada polo PP contra a sanidade pública. Unha decisión estratéxica do goberno central encamiñada a anemizar o Sistema e, ao tempo, prepararlle o terreo ás empresas privadas: menos persoal, peor calidade asistencial, ergo, descrédito para o SSP; menos persoal estatutario, facilidade para a subcontratación. Precisaban "limpar" de persoal con dereitos os paneles de profesionais. Pero aínda máis. Esta medida está a colocar xa no mercado laboral man de obra especializada abondo, por riba da oferta de traballo, co que deixará nas mans das empresas privadas do sector sanitario a definición das condicións de contratación. Resumindo: 1) Os grandes grupos económicos deciden que a prestación de servizos sanitarios debe estar no mercado e xerarlles plusvalías. 2) Os políticos de turno, do PP e mesmo tamén do PSOE, monicreques nas mans do capital transnacional e da clase corporativa, aceptan ese plantexamento de calado, ca venda ao saldo do SSP. 3) O contexto da crise permite publicitar a falacia da insustentabilidade e ineficiencia do Sistema, e acometer sen demora a súa privatización, creando un discurso único xustificador, sen contemplar as alternativas xurdidas dende diferentes entornos profesionais e sociais. 4) Os ritmos da privatización axéitanse ás diferentes realidades sociais: ás tolas e con premura nas Comunidades de Madrid e Valencia; con fachenda en Cataluña; e ás agachadas e aos poucos na Galiza. 5) Utilízanse "voceiros autorizados" (e interesados) do sector sanitario público para defender, senón directamente a privatización, si as medidas particulares que, indefectibelmente, levaran á mesma. Privatizan, mais non o recoñecen. A Consellería defende pola mañá o SSP, e pola tarde véndeo por parcelas. É a estratexia da impostura, marca de identidade do presidente Núñez Feixóo Privatizan, mais non o recoñecen. A Consellería defende pola mañá o SSP, e pola tarde véndeo por parcelas. É a estratexia da impostura, marca de identidade do presidente Núñez Feixóo: o "apagalumes" en camisa refucida, patalón de pinzas e zapatiños "castellanos"; o dos "poemas gallegos"; o convidado estelar da cadea de extrema dereita "Intereconomía"; o amiguiño de nevaradas de Marcial Dorado; o que cita a Castelao sen pestanexar, mentras dinamita por decreto o galego. Todo isto é aínda máis perverso canto que o PPdG acudiu ás elecións autonómicas do 2012 sen un programa que defendera a privatización sanitaria. Non foron explícitos en que seguirían as directrices dos grandes grupos económicos da sanidade privada, nin que poñerían nas súas mans -e para o seu beneficio-, a explotación do coidado da nosa saúde. Nin agora, cunha continua xestión privatizadora, son quen de recoñecelo. Dende o Movemento Galego da Saúde Mental tamén estamos a advertir da perda de recursos, dos riscos da privatización, e da actitude neglixente dos responsabeis sanitarios da Consellería de Sanidade. Recentemente vimos de denunciar o flirteo de altos cargos da administración sanitaria –encabezados pola propia Rocío Mosquera - cos lobbies de privatización, nun encontro ilícito máis propio de moblet, que de alcoba cristiá –da que seguro devecen-. Neste contexto bótase en falla máis inciativa da oposición política ao PP, máis firmeza e unidade contra a privatización, máis liderado, seguindo a traza dos movementos sociais e dos sindicatos Neste contexto bótase en falla máis inciativa da oposición política ao PP, máis firmeza e unidade contra a privatización, máis liderado, seguindo a traza dos movementos sociais e dos sindicatos. Ou actúase con dilixencia, rigor, fortaleza e unidade, ou o proceso será irreversíbel. Parar a privatización da sanidade pública debe ser un dos obxectivos principais da acción política. É un dos piares do noso precario estado de benestar. Serán as clases populares, as máis desherdadas e empobrecidas, quen sufran as peores consecuencias da privatización do SSP. Mais todos nós, de non frear a estos bárbaros, seremos corresponsabeis de legar aos que veñan unha sociedade máis inxusta, insolidaria e desigual. |
NOS_56754 | Antía Chamosa rexistrou un novo récord de España | O atletismo galego demostrou o seu bo estado de saúde tanto no Campionato de España de Marcha en Ruta como no Estatal Sub-23 de pista cuberta, que se desenvolveron, respectivamente, en Sevilla e no Palau Velódromo Lluis Puig de Valencia. Na localidade andaluza o balance das atletas do país foi de seis medallas e un récord estatal conquistado por Antía Chamosa, a gran protagonista do certame na distancia dos 35 quilómetros. A internacional da Sociedade Ximnástica de Pontevedra logrou parar o reloxo nuns fantásticos 2.58.22, estabelecendo así unha nova mellor marca histórica Sub-23 e confirmándoa como unha das marchadoras con máis proxección sobre a distancia que substituirá os 50 quilómetros logo dos Xogos Olímpicos de Tóquio 2021. Lamentabelmente, nin o seu irmán Daniel Chamosa nin a súa compañeira Iria Rivas (Ría Ferrol) conseguiron acabar a carreira, xusto o contrario do acontecido con Emilia Rodríguez, Juan Morales, José Fernández e Manuel Polo, que opacaron o resto de atletas co seu bo desempeño nas diferentes categorías Máster. Rodríguez (Trega) proclamouse campioa de España na categoría Máster-45 cun rexistro de 2.00.06, engadindo así un novo metal máis ao seu amplo palmarés estatal. Morales, do Marineda, facía o propio na proba dos 20 quilómetros Máster-40, estabelecendo un formidábel rexistro de 1.32.35 e, de paso, logrando un novo récord galego. Nesta mesma categoría sería segundo, e por conseguinte subcampión estatal, José Fernández (R.C. Celta), quen chegaba por detrás do marchador do Marineda con 1.35.32. E a cuarta das medallas dos veteranos e veteranas galegas iría parar a Manuel Polo, do Atletismo Narón, quen nos 20 quilómetros Máster-45 marcaba un rexistro de 1.42.33, suficiente para lograr a prata na súa categoría. Queimaño e Barreiro brillan en Valencia Galiza rematou o Campionato de España de Atletismo Sub-23 con catro postos de finalistas e dúas medallas, conseguidas por Eva Queimaño (Super Amara BT) e Álex Barreiro (Lugo Running). O deportista lucense logrou o subcampionato na modalidade de triple salto cunha mellor tentativa de 15,09 metros, un rexistro co que supera a súa mellor marca persoal -datada no ano pasado- en máis dun centímetro, ademais do bronce conseguido no Estatal ao aire libre de 2020. Pola súa banda, a internacional e actual campioa de España ao aire libre de héptatlon, Eva Queimaño, volveu subir ao podio grazas a unha brillante actuación na que sumou 9.20-1,63-9,99-5,24-2:31.75, que lle outorgaron un total de 3.466 puntos, cos cales se fixo merecedora da medalla de bronce. Entre o resto das Atletas destacou a actuación de Andrea Pais, do A.F. Celta, que realizou un excelente campionato logo de meterse na final 'B' dos 200 metros, acadando a terceira posición e a sétima xeral cun rexistro de 25,24. Tamén a de Cristina Garrido, da Ximnástica, que corría as súas semifinais dos 60 metros en 7.86 segundos, logrando así acceder á final, onde rebaixaba o seu rexistro até os 7.81 e, ao mesmo tempo, lograba un excelente sétimo posto, un por enriba do conseguido pola súa compañeira na Ximnástica de Pontevedra Lucía Ferrer, quen finalizou os valos en 9.08. |
NOS_30568 | Un BNG con capacidade para agrandar a "base social" do nacionalismo, como unha ferramenta de "modernización" do país. Un BNG que una Galiza, que a vertebre. Esas foron as ideas forza do discurso de abertura de Ana Pontón na asemblea de Palexco. "O PP leva anos sementando discordias e nós temos que sementar a unidade das galegas e dos galegos", dixo. | Unha certa sensación colectiva de que Palexco vai ver o nacimento dun novo BNG, xeracionalmente renovado e con máis capacidade para conectar coa sociedade galega neste momento histórico. Iso é o que se respirou esta tarde en Palexco na sesión inaugural da XVI Asemblea Nacional. Un BNG tranquilo, un BNG unido. Iso é o que transparentou o conclave nos seus primeiros compases. Moitas homenaxes tamén. Tributos a Avilés de Taramancos e Carvalho Calero -evocados por Ana Pontón no seu discurso- , mais tamén a Francisco Jorquera, gabado por Rosana Pérez, condutora do acto; Bieito Lobeira, na súa defensa do informe de xestión; e a propia Ana Pontón, que acabou por lle entregar unha figura de porcelana de Rosalía de Castro, nun momento de grande emotividade. Lobeira, cuxo talento para semear de comicidade os discursos políticos é indiscutíbel, chegou a esclarecer perante o auditorio que Jorquera estaba ben de saúde e que non ía marchar a ningures, o que provocou non poucos risos no público. Hai tan pouco costume na política de render tributos a políticos en activos que o comentario humorístico de Lobeira viña realmente a conto. Hai novo BNG, mais non nace do baleiro nen por xeración espontánea. Esa idea tamén foi subliñada quer por Francisco Jorquera -no discurso de benvida ás persoas participantes na asemblea- quer por Ana Pontón. O BNG é fillo dunha corrente histórica centenaria, desde as Irmandades da Fala até o Partido Galeguista. "O nacionalismo galego non é flor dun día. Non é un experimento para quitar réditos dunha determinada conxuntura. Non é un invento de catro iluminados ou catro oportunistas", dixo Jorquera, presidente da Fundación Galiza Sempre e candidato a facer parte do Consello Nacional entrante. Pontón tamén estabeleceu un elo entre o Partido Galeguista -daí a evocación a Carvalho Calero, no seu 27 cabodano- e o proxecto nacionalista do BNG, mais ao tempo puxo o retrovisor para resgatar da memoria a loita das Encrobas, a marcha contra a nuclear de Xove, as mobilizacións contra a NATO e, por suposto, o Nunca Máis, un dos fitos da auto-organización do país contra a incuria do Estado español. Mais o discurso da portavoz nacional saínte e única candidata á portavocía nacional ollou basicamente para o futuro, para a construción dunha alternativa política que teña a capacidade de arrebatar a hexemonía ao PP. Esa idea latexou no fundo do seu discurso. E como se constrúe esa alternativa? Diso vai realmente esta asemblea nacional, veu dicer Pontón, que ten como propósito "pór a ponto o BNG" e "sementar a confianza neste proxecto". A Asemblea do Relanzamento visa abrir, salientou, "un tempo novo para o BNG e para Galiza". Un BNG que se propón ser a voz política das maiorías sociais e que se propón vertebrar o país face un PP que "sementa discordias". E a alternativa constrúese tamén agrandando a base social do nacionalismo, dun proxecto político coas "portas abertas a todas as persoas que senten a Galiza e que pensan que merecemos un futuro mellor que deixe atrás a corrupción do réxime e o empobrecimento das traballadoras e dos traballadores". Un nacionalismo aberto e unido. Ese é un mantra para Pontón, quen emprazou ás e aos asembleístas a facer do "diálogo e a unidade" a carta de presentación do BNG. A portavoz nacional puxo aínda en valor o Proceso Adiante -a dinámica de debate aberta a persoas non militantes desenvolvida durante o último ano- e animou a continuar a traballar na revisión e reactualización dos métodos do BNG. Cambiar o que fixer falta, sen tabús. Mais o que non debe mudar é o esencial. "O que non cambiamos é que somos nacionalistas e que somos unha organización asemblear. Unha organización en que decide a militancia. A militancia é quen máis ordena no BNG". Unha organización unida e renovada son, veu argumentar Pontón, rasgos indispensábeis de calquera alternativa que desde o nacionalismo se plantexe derrotar o hexemónico PP. A portavoz nacional procurou no final do seu discurso o corpo a corpo co combo conservador. Foi nese momento cando deslizou o que ten aspecto de ser unha das palabras de orde desta Asemblea Nacional: o PP sementa discordia, o BNG debe sementar unidade. Unidade entre aquelas galegas e galegos que teñen confianza "na Galiza e no pobo galego". "E non hai que ter medo a voar. Non temos que ter medo e tomar as nosas propias decisións. Porque ese é o camiño para avanzar, progresar e modernizar Galiza", dixo. |
NOS_57892 | Nunha entrevista colectiva para meios internacionais, como o The Times británico ou o Bild alemán, o presidente eleito advogou por un tratado de libre comercio dos EUA co Reino Unido. | Colocar o Reino Unido aínda máis na esfera de influencia dos EUA semella ser un dos obxectivos básicos da política exterior de Donald Trump, nas vésperas de, o vindeiro 20X, tomar posesión efectiva como presidente. "Olla para a UE, é Alemaña. Basicamente un vehículo de Alemaña. Daí que penso que o Reino Unido foi moi intelixente ao optar polo Brexit", dixo Trump. O feito de a Unión Europea estar ao servizo dos intereses alemáns fará, segundo o presidente eleito dos EUA, que nos próximos tempos "outros países" acompañen os pasos de Alemaña. Os EUA oferécense ao Reino Unido como parella de baile alternativa á UE e nese sentido Trump defende o estabelecimento no prazo máis breve posíbel dunha área de libre comercio entre os dous países. O seu discurso crítico con Alemaña levouno tamén a advertir á potencia xermánica que se deslocaliza fábricas de BMW a México el imporá aranceis por volta de 35 por cento á importación dos carros que nelas se produzan. E Rusia? Pois non se moveu da súa liña tradicional e postulou un acordo con Moscova visando a redución do arsenal nuclear de ambas potencias, ao tempo que se mostrou partidario de acadar unha entente con Putin que eventualmente poda levar a que Washington levante as sancións que pesan sobre o xigante eslavo desde a anexión de Crimea. |
NOS_8252 | Estréanse as embarcacións Virxe da Guía e Cedeira. | Un total de 19 traiñeiras formalizaron o rexistro para participar na tempada 2017 da Liga Galega (LGT), competición que ano tras ano aumenta en embarcacións competidoras e difusión. Cinco van ser as novidades nesta tempada. Por unha banda, volven competir tres traiñeiras que nestes anos non puideron –por diversos motivos- saír ao mar. Son as de Mugardos, a de Muros e a de Esteiro. A isto engádase dúas traiñeiras que por primeira vez figuran na Asociación Liga Noroteste (ALN) e participan na liga Galega: Virxe da Guía (Teis, Vigo) e Cedeira. A nota negativa está en que Narón e as tripulacións B de Cabo e A Pobra non van competir este ano. A competición decorrerá, como nestes anos, en dúas categorías, a A –integrada por 12 embarcacións- e a B-por sete-. Na primeira van estar Samertolameu de Meira, Pobra, Coruxo, Castropol, Bueu, Mecos, Chapela, Amegrove, Vilaxoán, Perillo e Rianxo. Na segunda categoría vogarán as tripulacións de Mera, Vila de Cangas, Mugardos, Cedeira, Virxe da Guía, Muros e Esteirana. Para alén da LGT, na elite do remo en banco fixo, a Liga ACT ou San Miguel, esta tempada vai haber 3 embarcacións galegas: Cabo, Tirán e a ascendida Ares, que tentará conquistar por primeira vez para Galiza esa competición. |
NOS_21010 | Organización galega de comunidades de montes, Sindicato Labrego Galego, Federación Ecoloxista Galega, e outras organizacións consideran que a Consellaría "traballa ao chou sen calendario e sen obxectivos". | A Consellería de Medio Rural non fixo aínda os traballos de prevención de lumes orzados para 2017, tarefas que comezarán de contado no que para varias organziacións e colectivos do rural galego é actuar "a destempo, ocasionando agora un enorme gasto inútil e constatando a ausencia total de políticas para a xestión sustentable do monte en Galiza". Así o expoñen nun manifesto a Organización Galega de Comunidades de Montes, Sindicato Labrego Galego, Federación Ecoloxista Galega, Amigos da Terra e Frouma. "Galiza segue sen contar cunha política de prevención de incendios que teña como fin principal a xestión sustentable dos ecosistemas forestais e que trate de evitar os incendios para non ter que apagalos", afirman. Este retraso nas actuacións demostra, consideran os asinantes, que "a Xunta aposta todo a unha carta "extinción-extinción...". Galiza é o territorio de Europa que máis diñeiro destina a extinción de incendios forestais (neste ano 174 millóns de euros). Porén, critican, non hai unha acaída política de loita contra os incendios. "Temos insistido na necesidade de tratar de equilibrar o diñeiro destinado a prevención e a extinción ao igual que fan os países con cultura forestal", recóllese no manifesto. Nesta liña, indican, é necesario realizar os traballos "ao seu debido tempo e os labores de prevención deben estar feitos a comezo do verán". Unha das queixas dos e das profesionais dos servizos de prevención e extinción de incendios forestais, así como dos propietarios dos montes, "é o estado de abandono da chamada infraestrutura de prevención (camiños, devasas, áreas cortalumes, xestión de biomasa nos lugares estratéxicos dos montes...)". Un escenario perante o cal, critican, "un ano máis", a Consellaría do Medio Rural traballa "ao chou sen calendario, sen obxectivos e cos labores de prevención do ano 2017 sen realizar, cando xa esta a piques de rematar o verán (época de máximo risco de incendios)". |
PRAZA_12076 | A secretaria de organización do Bloque remítelle unha carta ao alcalde de Teo advertíndoo de que en sete días comunicará ao Concello a súa "abdicación de toda representatividade" da formación. Os 'irmandiños' coidan que a dirixente frontista tenta aplicar sancións "exemplares" co alcalde teense. | O "prazo prudencial dunha semana" para que renuncie á súa acta e "tome posesión a seguinte persoa da lista que mantén a súa adhesión ao BNG". É a indicación que a secretaria de organización do BNG, Montse Prado, lle vén de remitir ao alcalde de Teo, Martiño Noriega. A través dunha carta dirixida ao tamén vicevoceiro do Encontro Irmandiño, a dirixente nacionalista advirte a Noriega de, en aplicación do "acordo aprobado o día 20 de febreiro de 2010" na Executiva Nacional da formación frontista, debe entregar a acta "de maneira inmediata", xa que ocupa un escano por ter sido membro "dunha candidatura do BNG". Neste contexto, Prado advirte de que, "en caso de non proceder á renuncia", o BNG porase en contacto co Concello de Teo e con "todos os organismos e institucións nos que estiveses presente en calidade do Grupo Municipal do BNG" para comunicar o "abandono" e, por conseguinte, "a abdicación de toda representatividade desta formación política". Ao tempo, a propia carta sinala que a dirección frontista "instará" o Concello teense a "que adopte as medidas pertinentes para adecuar os dereitos políticos ou económicos que se deriven" de pertencer ao grupo municipal nacionalista. Tras a recepción desta carta, que "non sorprendeu" no entorno de Martiño Noriega, fontes do Encontro Irmandiño consultadas por Praza Pública valoran que o BNG aposta por aplicar medidas "exemplares" en Teo, a xeito de mensaxe dirixida "aos demais concellos" nos que algún edil poida optar pola baixa. Non obstante, os 'irmandiños' aseguran que manteñen a vontade de procurar a "unidade de acción" tanto no na corporación teense, na que seis edís manteñen o apoio ao alcalde, lembran, como en calquera outro caso. Do mesmo xeito, as mesmas fontes "dubidan" de que o emprazamento a entregar as actas nunha semana "se chegase a votar na Executiva Nacional". |
PRAZA_6410 | Os populares prometeron que, ao volver á Xunta, garantirían que a Lei de Eleccións non se puidese reformar sen o apoio de "dous terzos" do Parlamento porque "a normativa electoral fixa as regras básicas do xogo" e debe "concitar o maior acordo posible". | O BNG chama á "fronte común" contra o "golpazo", que Feijóo pide estender ás autonomías "Pretendemos dar resposta ao clamor cidadán que nos pide solucionar os problemas e non pelexas entre nós". "Chegou o momento de comprometerse e de devolver a credibilidade á clase política, iso é o que quero certificar". A mediados de febreiro de 2009, cando restaban apenas dúas semanas para as eleccións autonómicas, Alberto Núñez Feijóo presentaba deste xeito as liñas mestras do seu programa electoral, resumido despois no publicitadísimo Contrato con Galicia. Feijóo presentaba os seus compromisos "fronte aos supostos programas electorais de PSOE e BNG, que non son máis ca un trámite que realizan a sabendas de que non os van cumprir". Naquel programa, entre outros compromisos, incluíase a promesa de impedir por lei as reformas electorais sen consenso, xusto o que agora se dispón a facer o propio Feijóo en Galicia mentres anima a que Mariano Rajoy faga o propio no Estado. Ese obxectivo programático chegaba apenas dous anos despois de que, como vén relatando Praza Pública, Feijóo reclamase ilegalizar as reformas electorais unilaterais. No marco do intento de reforma do Estatuto o líder dos conservadores galegos reclamara equiparar as eventuais modificacións da Lei de Eleccións con outros procesos parlamentarios como a elección do Valedor do Pobo ou a propia modificación estatutaria, que esixen acordos de maiorías cualificadas, de dous terzos ou tres quintos do Parlamento e, polo tanto, o pacto de máis dunha forza política. Coherentemente con esta reclamación, incluírano no seu programa, nomeadamente na páxina 274 do documento que titularan Propostas para recargar Galicia. O PP propuñar condicionar as reformas electorais ao apoio de dous terzos do Parlamento porque "a normativa electoral fixa as regras básicas do xogo no sistema democrático" Nun contexto no que se comprometía a retomar a elaboración dun novo Estatuto de Autonomía o PP de Feijóo explicaba que, "no ámbito da norma estatutaria", ían propoñer unha serie de medidas "para reforzar a centralidade do Parlamento". Entre elas figuraba "establecer unha maioría cualificada de dous terzos para aprobar e reformar a lexislación electoral galega". "A normativa electoral -evidenciaba aquel texto- é a que fixa as regras básicas de xogo no sistema democrático, de aí a conveniencia de que concite o maior acordo posible". A esixencia dunha "maioría cualificada", abondaban, "permite acercar a unha decisión de consenso". Esta proposta, igual que outras que a acompañaban, como fixar no Estatuto a celebración de comisións de investigación ou "outorgar iniciativa lexislativa" aos concellos, nunca chegou a aprobarse e no seguinte programa electoral autonómico do PP, o de 2012, simplemente desaparecera. No seu lugar os populares incluían outras como que "a austeridade continúe impregnando todas as actuacións do Parlamento de Galicia" ou a redución "do número de deputados a 61", recorte para o que é necesario, precisamente, reformar a Lei de Eleccións. Recorte unilateral Fronte a estas promesa de hai apenas media década o partido que sustenta o Goberno en Galicia e en España reitera a súa intención de aplicar as dúas reformas electorais aínda que ninguén máis os apoie. O último en afirmar este propósito foi o vicepresidente da Xunta e secretario xeral do partido, Alfonso Rueda, que nunha entrevista en RNE apelou precisamente ao programa electoral, ao de 2012, para xustificar a medida. A xuízo de Rueda, o feito de obter en 2012 "máis escanos dos que tiñan -malia perder máis de 100.000 votos-" fixo que os conservadores fosen "lexitimados" para "levar a cabo dita reforma". "O Parlamento pode funcionar custando menos cartos", di, nun contexto no que o propio PP se negou ás propostas de PSdeG, AGE e BNG que apostaban por manter o número de escanos rebaixando o seu custo. Rueda defende a unilateralidade en Galicia e tamén no resto do Estado, neste caso para ilegalizar os gobernos locais de coalición e facelo a escasos meses das eleccións, contradicindo así o manual de boas prácticas electorais da UE, entre outras recomendacións internacionais. "O PP ten a intención de levar adiante a reforma", advirte, apuntando neste caso que a reforma prexudique algunha opción política, toda vez que "todos os partidos se presentan en igualidade de condicións". Para os populares a conformación de maiorías sustentadas en máis dun partido implica "que gobernen os que perden" e iso "non é fácil de entender". |
NOS_41333 | O xigante téxtil paga menos do que debera, grazas a unha estrutura fiscal para transferir beneficios a filiais en 'paraísos'. | O Imperio de Arteixo, o xigante galego do téxtil, a gran empresa de Galiza presente en todo o mundo... Os panexíricos habituais ao se referir a Inditex e loar a súa 'galeguidade' deberían ter en conta un dato simple: A contribución tributaria total de Inditex en todo o mundo móvese por volta dos 4.000 millóns de euros, segundo dados da propia firma. Algo máis da metade deles corresponde a cantidades recadadas polos estados onde opera por conceptos varios (por exemplo, IVE). E uns 1.900 millóns cotízaos por impostos directos: Un 39% deles no estado español, un 35% no resto de países europeos, un 17% en América e un 9% no resto do mundo, principalmente Asia. E canto? O conselleiro delegado de Inditex, Pablo Isla, presentaba recentemente os resultados da firma. Informaba de que no Estado español pagaron 821 millóns de euros en impostos (menos que o que recibiu Amancio Ortega en concepto de dividendo -894 millónscomo principal accionista). Neses 821 millóns inclúense as cotizacións á Seguridade Social e conceptos como aranceis á importación. Por imposto de sociedades pagan 440 millóns, afirman. @s directiv@s de Inditex afirman que un 22% dos seus beneficios van en impostos. Unha porcentaxe que abraia pois o propio ministro Luis de Guindos recoñeceu en sede parlamentar hai unhas semanas que o tipo medio das grandes empresas bascula entre o 5% e o 10% unha vez que se acollen a todas as ventaxes fiscais dispoñíbeis para estas compañías. E as sombras... A presentación de resultados de Inditex (con incidencia especial por parte de Isla en que achegan o 0,5% do PIB español e que xeran 80.000 empregos directos e inducidos) non oculta as sombras. Como as desveladas recentemente por Jesse Drucker (Bloomberg) e que, malia o escaso eco que atopou nos grandes medios, supuxeron un terremoto para a imaxe do xigante do téxtil. Inditex elaborou un efectivo esquema fiscal para pagar menos impostos. O funcionamento, sinxelo: transferir beneficios obtidos en estados como o español, britá- nico, italiano ou alemán... a unha filial súa que opera en Holanda e Suíza (con impostos moi baixos). Reduce así artificialmente o pago de impostos nos estados nos que vende. A filial é ITX Merken. Supón só o 0,1% da forza laboral de Inditex, mais representa o 20% dos beneficios globais. Cando menos, 'chocante'. Nestes 5 anos Inditex transferiu 1.500 millóns de euros de beneficios en diferentes países europeos a esta filial, logrando así aforrar 275 millóns en impostos. Antecedentes Non é a primeira vez que se descobren prácticas de 'enxeñairía contábel' en relación con Inditex. En 2011 tivera que repatriar a súa filial de vendas 'on-line' ao Estado español despois de que se coñecese que a creara en Irlanda para aforrar no pago de Impostos (na República de Eire non chegaba o 13%. Esta reportaxe apareceu no Sermos90, publicado o 27 de marzo de 2014. |
NOS_53862 | Non morreu María Miramontes. Minte o rexistro de falecidos do centro galego de Bos Aires que certifica a súa morte o 17 de setembro de 1964. A costureira de Guísamo segue a tecer con nos ese traxe de non rematar que é Galiza. | É 6 Abril de 1895 e xa trae na man unha agulla de ferro que comezará a mover naquel obradoiro d´A Coruña once anos máis tarde para puntear unha patria por liberar, para mendar unha nación que non é quen de salvarse dos seus rotos, para coser man con man unha terra que comeza a ter siso como propia. Aquí está María Miramontes. Dirixente daquelas máis de 200 mulleres que facían parte sección Feminina das Irmandades da Fala da Coruña, actriz naquel teatro que nacera para levar a boa nova de Galiza, mestra naquelas escolas criadas para facer galegas enteiras, liña de crédito de Lar, de Nos, dá Nosa Terra, de Ser, de Claridade, cadernos do Seminario de Estudos Galegos banca ética ao fin, Galiza xénero e papel, pluma e tesoira. E había que facer de todo na mercería da Coruña ou no taller de costura Compostela. Estou vendo a María Miramontes. 17 de Xullo 1936, Madrid, a súa beira Anxo Casal, entregase o Estatuto de Galiza plebiscitado o 28 de Xuño, un paso adiante na loita pero non o final porque Galiza aínda non é ceibe. Recapitulamos a fundación dos primeiros grupos de mulleres do Partido Galeguista alá polo 1931, o Recanto da muller dá Nosa Terra, os manifestos das mulleres galegas, a cabeceira da manifestación das mulleres nacionalistas que percorren Compostela nas vésperas do Dia da Patria Galega de 1933. E chegou o terror, Casal asasinado e así aos poucos e aos moitos os que foron os seus irmáns e irmás. "Na fundación dos primeiros grupos de mulleres do Partido Galeguista alá polo 1931, o Recanto da muller dá Nosa Terra, os manifestos, a cabeceira da manifestación das mulleres nacionalistas que percorren Compostela nas vésperas do Dia da Patria Galega de 1933". Arxentina á vista. Febreiro de 1937, uns frades vascos nacionalistas , tamén exiliados, ofician na Igrexa de Nueva Pompeya por outro nacionalista, neste caso galego. Remata o oficio, no primeiro banco, unha muller de rigoroso negro comeza a cantar o "Himno Galego" na honra de quen fora o seu compañeiro, un patriota, un masón, Anxo Casal e sobre Nueva Pompeya xurde unha oración laica que fala de "bos e xenerosos" pero tamén de "ferridos e duros". Toca vivir, que é resistir, e de novo coa súa agulla marcha a Avellaneda a seguir tecendo. O único cemiterio no que acreditamos é a memoria, por iso precisamos lembrar para que aqueles homes e mulleres que merecen a pena segan a vivir. E María Miramontes é daquelas que non poden morrer, agás que decidamos dimitir como pobo, amputarnos na nosa condición nacional, renunciar ao que nos identifica porque nos diferenza, devaluarnos como persoas en híbridos globalizados, isto é prescindir das alforxas que nos din de onde vimos e nos marcan o camiño por onde transitar para tornarnos nuns ninguén. |
NOS_46164 | Pedro Sánchez empregou a Moncloa como escenario dunha entrevista televisiva en que realizou declaracións electoralistas. E a ministra portavoz do Goberno, Isabel Celaá caeu no mesmo desde a sala de prensa do Consello de Ministros ao explicar os datos da EPA. Ambos os dous mandatarios expóñense ás sancións da Xunta Electoral Central. | Os dous casos foron denunciados polo PP e agora o organismo electoral dálle a razón ao partido de Pablo Casado. Segundo o ditame do mesmo, algunhas das declaracións de Sánchez na mencionada entrevista -emitida pola Sexta- tiveron "connotacións electoralistas". Mais o que cuestiona a Xunta Electoral non son estas palabras senón "o uso dos medios públicos", en referencia ao uso das salas da Moncloa. O organismo critica o emprego dunha "escenografía que non está dispoñíbel para os restantes candidatos" e a transcrición da entrevista publicada na web oficial do pazo presidencial. O presidente do Goberno e a ministra portavoz poden ser castigados con multas de 300 e 3.000 euros, respectivamente. |
NOS_30870 | Na busca dun mercado laboral estábel, igual e máis abundante, a suba do salario mínimo a 950 euros é un paso necesario para os axentes sociais. Mais aínda escaso a teor das exixencias da Carta Social Europea. | O consenso acadado para situar o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) nos 950 euros é, en palabras da ministra de traballo, Yolanda Díaz, "o primeiro grande acordo social da lexislatura". Trátase da segunda suba consecutiva en pouco máis dun ano, que non convence a todos por igual. Para Xosé Carlos Arias, catedrático de Política Económica da Universidade de Vigo, a decisión "encaixa" nun escenario de "prioridade das políticas sociais e de recuperación dun impacto negativo continuado desde o ano 2010". Unha tendencia que tamén se percibe no resto de Europa, asegura, en perspectiva dun novo estancamento económico. "O maior beneficio do aumento do salario mínimo é o efecto directo sobre a capacidade de consumo e a mellora da renda dos sectores máis débiles" En conversa con Nós Diario, Arias mantén que a suba do SMI de 900 a 950 euros marca unha "liña correcta" tanto desde o punto de vista social e de necesidade das persoas como da propia urxencia económica do momento. Favorecer "que a xente teña máis cartos é un mecanismo ortodoxo agora mesmo. Está xustificado e é un éxito para o conxunto da sociedade", pola súa repercusión e porque é froito do "consenso", recalca, "unha novidade que sería bo estender a outros asuntos". Xosé Carlos Arias está convencido de que o maior beneficio do aumento do salario mínimo é o "efecto directo sobre a capacidade de consumo e a mellora da renda dos sectores máis débiles". Ten máis dúbidas sobre o impacto real e negativo que poida ter na creación de emprego, como prognostican algúns sectores. "Hai un ano tivemos acceso a cálculos pesimistas que ao final revisaron" porque o freo que predicían no foi tal. En calquera caso, engade, "se tivera algún efecto sobre a creación de emprego, o custo sería menor que o beneficio que representa a mellora da renda das persoas". O comercio láiase da suba O sector do comercio é un dos agoireiros. Anticipa a fin da creación de emprego e mesmo predí a perda dalgún posto de traballo. Desde a Federación Galega de Comercio, José María Seixas, presidente, sinala que os 950 euros que o Goberno do estado pactou coa patronal e cos secretarios xerais de UXT e CCOO "son poucos para os traballadores e moitos para os comerciantes. Con esta suba van ter máis difícil crear emprego e moitos, mesmo se verán obrigados a eliminar persoal. "Moitos negocios non poderán abrir, porque despois de dúas subidas en pouco tempo, moitos comercios xa non poden asumir os custos dun salario mínimo de 950 euros" De se consumar o aumento salarial progresivo comprometido polo Executivo, até chegar aos 1.200 euros ao final da lexislatura, Seixas augura que moitos negocios "non poderán abrir", porque despois de "dúas subidas en pouco tempo, moitos comercios xa non poden asumir os custos dun salario mínimo de 950 euros, que suporá 23% de impostos". Desde o ámbito sindical, os representantes galegos de UXT e CCOO defenden o valor dun acordo "positivo" para as persoas para a economía, para o Estado de benestar e a revitalización do sistema de pensións. José Luís Fernández Celis, secretario de organización de UXT Galiza renega dos "efectos catastróficos". Mantén que "hai evidencias de que a suba de 2018 xerou máis emprego, máis altas na Seguridade Social e a alza das cotizacións". Agora, di, "hai marxe para mellorar e avanzar na negociación colectiva e promover os cambios necesarios contra a precariedade e a temporalidade". A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube |
NOS_55495 | O conxunto de leis que compoñen esta medida adoptada en 1962 marcaron un fito histórico nas relacións internacionais desde a segunda metade do século XX. | "Partillamos a idea de que pode abrirse unha nova etapa entre Estados Unidos e Cuba, que se inicia co re-estabelecemento das relacións diplomáticas, mais fica por resolver o esencial, que é o cesamento do bloqueo". Así se pronunciaba o presidente de Cuba, Raúl Castro perante o Parlamento no seu discurso de clausura do IV período ordinario de sesións. Após o histórico anuncio realizado o 17 de decembro e dun primeiro paso co troco de presos, EUA e Cuba encetan un novo período logo de medio século de conflito. Sobre a mesa de negociacións a normalización das relacións pasa polo levantamento do bloqueo económico, comercial e financeiro instaurado pola administración de JFK. Un fito histórico que marcou a política internacional desde 1962 e que supuxo o illamento de Cuba durante décadas. As relacións diplomáticas e consulares foron rachadas polos Estados Unidos o 3 de xaneiro de 1961. A decisión foi adoptada polo presidente Eisenhower após a nacionalización de terras aprobada polo goberno revolucionario cubano como parte da Reforma Agraria de 1959. Con anterioridade, a administración estadounidense suspendera a compra de azucre cubano o que levou a illa a estreitar a súa relación comercial coa URSS. Kennedy, o pai do bloqueo Eisenhower exixía como "standar mínimo unha indemnización rápida, acaída e efectiva" polas propiedades expropiadas, segundo recolle o profesor Salim Lamrani no libro État de Siège. Para o goberno estadounidense a indemnización fixada polo artigo 31 da Lei de Reforma Agraria (1959), que estabelecía unha compensación ás nacionalizacións através de "bonos redimibeis" a 20 anos, non era suficiente polo que iniciou unha ofensiva económica que tería o seu punto máis elevado en 1962, con JFK á cabeza, ao promugar a Proclama Presidencial 3447 (27 FR 1085). Este intrumento xurídico amparado na Lei de Axuda Externa (1961) autorizaba o presidente dos EUA a "bloquear" todo tipo de comercio con aqueles países que estiveren dominados ou controlados, sinala a lei, polo "movemento comunista internacional" e que "adebedasen bens ou servizos a calquera cidadán estadounidense. Os argumentos xurídicos empregados polos EUA baseábanse nun suposto control do goberno cubano por parte da URSS e nas expropiacións ás transnacionais agrícolas estadounidenses Os argumentos xurídicos empregados polos EUA baseábanse nun suposto control do goberno cubano por parte da URSS --loga da invasión de Bahía Cochinos-- e nas expropiacións levadas a cabo por Cuba ás transnacionais agrícolas estadounidenses así como outras compañías eléctricas e de telefonía. "Impuxo directamente o chamado embargo ao comercio con Cuba e econmendou ao secretario do Tesouro a tarefa das prohibicións comerciais referidas a importacións desde a illa e ao secretario de Comercio as relacionadas coas exportacións con ese destino", apuntan os investigadores Pablo Marínez e Valdés Lobán nun artigo publicado en 1999. Mais non ficaba aí, "o 23 de marzo de 1962 Kennedy estendeu o embargo a produtos que contivesen materiais cubanos, mesmo os fabricados noutros países. Da mesma maneira a partir do mes de agosto de 1962, toda nación que fornecese de axuda a Cuba veríase automaticamente excluída do programa de axuda estadounidense", explica Salim Lamrani. O bloqueo ampliaríase con posterioridade ao intercambio marítimo, o que suporía o illamento por mar de Cuba. Con estas medidas a administración estadounidense procurou o derrocamento --baixo presión económica, comercial e financeira-- do réxime cubano. Un feito que foi recoñecido polo propio presidente Obama no discurso pronunciado o pasado 17 de decembro. O proceder estadounidense puña en práctica a política de relacións exteriores desesnvolvida polo país desde finais do século XIX e coñecida como Doutrina Monroe, segundo a cal "a América [EUA] ten un hemisferio para si propia". Este pensamento político levaría os gobernos estadounidenses a declarar Latinoamérica o seu Patio Traseiro e, de acordo con isto, a sua capacidade de intervención, en virtude dos seus intereses políticos, económicos e militares, noutros estados. A caída da URSS e o recrudecemento do bloqueo O bloqueo mantívose nestes termos até 1992. Co derrubamento da URSS --principal socio económico de Cuba desde 1962-- a administración estadounidense decidiu endurecer o conxunto de medidas instauradas nun intento porque a socialismo cubano chegase ao seu fin. Mais, desaparecido o suposto "movemento comunista internacional" o discurso norteamericano mudou. O daquela presidente, George Bush (pai) promulgou o 23 de outubro de 1992 a coñecida como Lei Torricelli. Neste texto a administración estadounidense apela á falta de vontade por parte do goberno cubano para "aceptar os deteritos humanos e os valores democráticos" para xustificar o recrudecemento do bloqueo. Coa Lei Torricelli os EUA mudan o discurso, finado o 'inimigo comunista' o conflito con Cuba radica na vulneración dos "dereitos humanos" Neste senso, a Lei Torricelli prohibe o comercio con Cuba das filiais de empresas estadounidenses afincadas en terceiros países e a entrada en portos estadounidenses daqueles buques que atraquen en Cuba, alomenos nun mínimo de 180 días. O propio texto xurídico recoñece a vontade intervencionista da lei ao fixar os criterios de levantamento do bloqueo de se celebraren eleccións "libres e xustas" en Cuba que permitan "aos partidos da oposición desenvolver con tempo as súas campañas electorais". Numerosos estudos internacionais condenaron na altura, e con posterioridade, a Lei Torricelli ao considerar o seu carácter "extraterritorial", isto é, que inxire nos asuntos internos de terceiros países para alén dos asuntos internos de Cuba. Porén, catro anos máis tarde, a administración de Bill Clinton aprobaría un outro instrumento xurídico considerado até o momento --polo seu contido e alcance-- o máis agresivo. A coñecida como Lei Helms-Burton (1996) ou Lei para a liberdade e solidariedade democrática cubanas codifica todas as normas, regulamentos e ordes presidenciais adotadas despois da Proclama presidencial de 1962 elevándoas a rango de lei. Ao tempo que priva o presidente das prerrogativas previstas na Lei de Axuda Externa para que só o Congreso dos EUA poida mudar as disposicións lexislativas relativas ao bloqueo. George W. Bush e Collin Powell aprobaron en 2003 partidas orzamentarias destinadas a desestabilizar o goberno cubano Asemade, ao longo dos catro títulos que compoñen a Helms-Burtom os EUA definen os obxectivos políticos fixados en Cuba. O goberno estadounidense condiciona o re-estabelecemento das relacións económicas e comerciais á instauración en Cuba dun "modelo de libre mercado" e dunhas "democracia representativa". Inxerencia e vulneración do dereito internacional A suspensión do bloqueo fica, pois, en mans do Congreso dos EUA, un feito que marcará as conversas iniciadas entre o goberno cubano e administración Obama. Aliás, condiciona calquera avanzo na normalización das relacións a mudanzas políticas e económicas na illa. Un obxectivo que os EUA levan traballando desde hai décadas mais que intensificaron e mesmo lexislaron en 2003. Durante o goberno de George W. Bush (fillo) sendo secretario de estado Collin Powell creouse a Comisión de asistencia a unha Cuba libre, entre outras tarefas estabeleceuse unha liña orzamentaria coa que se financiabaron ONG's favorábeis aos intereses norteamericanos, grupos de disidentes ou mesmo diplomacia pública que difundise, sinalan, "a realidade da Cuba de Castro". De maneira reiterada desde 1992 as Nacións Unidas exixen o levantamento do bloqueo, entre outras cuestións, polo seu carácter ilegal ao consideraren que a andamiaxe xurídica sobre a que se sustentan constitúe unha vulneración dos principios reitores do Dereito Internacional, como a igualdade soberana e a non inxerencia nos asuntos internos. |
PRAZA_19892 | Outros dous mariñeiros sobreviviron e un deles alcanzou a nado a costa para avisar do naufraxio. O pesqueiro 'Nuevo Marcos', de Campelo (Poio), colidiu cunha batea na ría de Pontevedra. | Nova traxedia no mar. Dous tripulantes dun pesqueiro faleceron este mércores logo de que a súa embarcación colidise cunha batea nas proximidades da Illa de Tambo, na ría de Pontevedra. Outro dos mariñeiros alcanzou a costa polos seus medios tras o sinistro, mentres que outro compañeiro foi recuperado con vida por outro barco. Outra persoa que estaba desaparecida foi recuperada sen vida pasado o mediodía. Un dos tripulantes alcanzou a costa a nado e deu aviso do naufraxio Segundo informou Salvamento Marítimo, un tripulante do pesqueiro Nuevo Marcos, de Campelo (Poio), deu aviso do afundimento do barco nas proximidades da Illa de Tambo, logo de chocar contra unha batea. Este mesmo tripulante puido alcanzar a costa polos seus propios medios para avisar do naufraxio e foi atendido de hipotermia polo 061. Nadou arredor de hora e media ata que chegou a terra. O pesqueiro tiña unha tripulación de cinco persoas, polo que de inmediato se puxo en marcha o dispositivo de busca dos desaparecidos, coordinado polo Centro de Coordinación de Salvamento de Fisterra, que mobilizou o helicóptero Pesca I, da Xunta de Galicia; a patrulleira Río Guadalupe, da Garda Civil, e a Salvamar Mirach e o Helimer 215 de Salvamento Marítimo, ademais de dar aviso aos pesqueiros que se atopaban na zona. Un destes pesqueiros, o Churus, atopou un tripulante falecido e outro a salvo, que trasladou ata a localidade pontevedresa de Combarro. O ferido foi atendido polo 061, segundo concretou Salvamento Marítimo. Pola súa banda, o helicóptero Pesca I recuperou o corpo dun tripulante na mesma zona e trasladouno ata Combarro. A busca do desaparecido levouse a cabo no polígono de bateas, na que participaron os medios mobilizados e pesqueiros da zona que colaboran na tarefa. Segundo o patrón maior da Confraría de Portonovo, José Antonio Gómez, un barco de Marín que participaba nos traballos de busca bateu coa quilla co barco afundido e foi sinalizado. Os mergulladores da Garda Civil lograron baixar na zona e descubriron que non estaba dentro do buque, pero acabaron por localizalo. Era o patrón da embarcación. O sector con maior mortalidade Con este novo accidente laboral no mar auméntase a traxedia na pesca, o sector onde a mortalidade ten maior incidencia en Galicia. Segundo os últimos datos publicados polo ISSGA, do total de 57 accidentes mortais en actividade laboral que se produciron en 2016, doce tiveron lugar no mar, onde se dá tamén o índice máis elevado de accidentes graves. En 2015, foron dez os homes que faleceron mentres faenaban. No pasado exercicio, máis de mil sinistros tiveron lugar no sector pesqueiro. No pasado ano, doce mariñeiros faleceron en Galicia en accidente laboral Ademais, en Galicia o número de accidentes graves aumentou nun 25% durante o pasado ano, onde se rexitraron cae 25.000 accidentes de traballo con baixa en xornada laboral. A sesión de control desta mañá no Parlamento de Galicia comezou cun minuto de silencio en lembranza dos mariñeiros falecidos nesta nova traxedia no mar. |
NOS_21074 | O alcalde de Vigo, Abel Caballero, un dos pesos do actual PSdeG, descartou este domingo Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra e referente do PSdeG en Vigo, como candidata dos socialdemócrata á presidencia da Xunta. | "Cando un está nun lugar debe asentarse", así contestaba este domingo Abel Caballero a unha pregunta da entrevista concedida á Cadena Ser, que o interpelaba sobre a posibilidade de que a actual presidenta da Deputación de Pontevedra fose a candidata do PSdeG á presidencia da Xunta. Para o tamén presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Carmela Silva "sería unha moi boa opción para Galiza, España ou Europa pero este non é o caso". "Eu son alcalde de Vigo. Levo nove anos e non me movo de aquí nin con lanzachamas", engadiu. Caballero di que desbotou participar da xestora que dirixe o PSdeG Caballero admitiu que desbotou formar parte da xestora que dirixe a día de hoxe o PSdeG, ao igual que tampouco quixo facer parte da Executiva que presidía o entón secretario xeral dos socialdemócratas, José Ramón Gómez Besteiro. O alcalde de Vigo, que salientou o "deterioro" de Feijóo e a súa xestión "deficiente e frouxa", emprazou o PSdeG a "dosificar ben os seus tempos" e a elixir o candidato á Presidencia da Xunta sen présas. |
PRAZA_8966 | O Observatorio do Traballo Autónomo estima que as persoas que optan por esta modalidade de cotización tardan unha media de cincuenta e un días en cobrar as facturas de organismos públicos, vinte e un días por riba do legal | A directiva europea de loita contra a morosidade establece que, como norma xeral, as Administracións públicas téñenlles que pagar en 30 días ás empresas que as provén de produtos e servizos. Non obstante, este prazo está lonxe de cumprirse. Quen dá a voz de alarma desta volta é a Federación de Asociacións de Traballadores Autónomos (ATA) que, a través dunha enquisa, vén de trazar un mapa da demora nos pagamentos en todo o Estado e das cantidades polas que agardan estes traballadores e traballadoras. No caso galego, os autónomos e autónomas agardan para cobrar facturas por importe de 162 millóns de euros. A nivel estatal o Observatorio do Traballo Autónomo conclúe que o 29,2% das persoas que traballan a través desta modalidade "tarda en cobrar as facturas emitidas á Administración máis de seis meses", o 55,1% "entre 90 e 180 días" e só o 15,7% "antes de 90 días". "Dentro dese 15,7% que cobra en menos de 90 días -especifican- só o 8% cobra as facturas nos prazos que establece a lei", isto é, en 30 días ou menos. No caso galego, as Administracións públicas -non só a Xunta, tamén os concellos, as deputacións, as empresas públicas e o Goberno central- pagan cunha demora media de 51 días. Este indicador sitúan as Administracións de Galicia como as cuartas máis dilixentes do Estado, aínda que vinte e un días por riba do legal. As Administracións galegas páganlles aos autónomos e autónomas nunha media de 51 días, vinte e un por riba do legal Un chisco máis abaixo, aínda que tamén pola banda alta, é onde se sitúa Galicia ao observar os cartos adebedados polas Administracións aos traballadores e traballadoras autónomas. Os devanditos 162 millóns de euros sitúan as Administracións galegas en sétimo lugar, por tras de Navarra (42 millóns), Cantabria (61), Balears (139), Extremadura (147) e Asturias (148). Todas estas autonomías están notablemente lonxe das que pechan a clasificación en canto a cartos pendentes, é o caso de Madrid (490 milllóns), Comunitat Valenciana (670 millóns), Andalucía (703) e Catalunya (798). O estudo, datado no presente mes de maio, reflicte tamén que en Galicia a débeda se reduciu nun 1,1% a respecto da última observación, realizada en febreiro, cando a débeda era de 164 millóns. Neste contexto, o presidente de ATA, Lorenzo Amor, reclama que o Goberno central actúe en consecuencia e permita "que o autónomo que teña dificultades para cobrar unha factura dunha Administración poida acudir directamente a Facenda para que lla paguen". Despois, explica, "sería o Estado o que lle descontaría o importe a ese concello ou comunidade autónoma da súa participación nos ingresos públicos". Do mesmo xeito, explica, resulta "imprescindible" que "o Goberno lle permita aos autónomos compensar as débedas que teña con Facenda ou coa Seguridade Social coas facturas impagadas que á súa vez manteña unha Administración ou el, ou ben que poida obter un aprazamento automático das súas obrigas tributarias ou coa Seguridade Social". Demora media das Administracións no pagamento aos autónomos AUTONOMÍAS DÍAS Navarra 38 Euskadi 38 La Rioja 40 Galicia 51 Madrid 98 Castilla y León 114 Extremadura 117 Cantabria 122 Balears 124 Aragón 134 Canarias 139 Castilla-La Mancha 148 Asturias 152 Murcia 152 Andalucía 153 Comunitat Valenciana 153 Catalunya 155 |
PRAZA_10642 | A líder do Bloque ve a formación en condicións de liderar o "novo ciclo" que "emerxe como unha forza enorme, como un vendaval". "Ou damos nós voz a este país ou está visto que ninguén o fai", reflexionou Pontón no acto central do BNG polo Día da Patria | "Algúns podedes pensar que estou facendo un exercicio de optimismo; pero como non facelo se hoxe o BNG xa ten máis incidencia da que reflicten os resultados electorais?". A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, subiu este 25 de xullo ao escenario da compostelá Praza da Quintana coa vontade de inxectar optimismo entre a militancia da formación soberanista para, no acto central do Día da Patria, situala en condicións de liderar a "outra Galiza posible" que, coida, pode reflectirse na política dende as vindeiras eleccións galegas.A líder do Bloque ve a formación en condicións de liderar o "novo ciclo" que "emerxe como unha forza enorme, como un vendaval"O país, expuxo Pontón, está no remate "de todo un ciclo político que xa é pasado" e no seu lugar "emerxe como unha forza enorme, como un vendaval, unha nova etapa". "Algo novo está nacendo, algo grande" para o conxunto de Galicia e para o Bloque en concreto, cre a líder nacionalista. Nesoutra "Galiza posible, con capacidade de decisión, que aposta pola innovación, que crea emprego de calidade, que coida do seu territorio", que aposta polo feminismo ou "mira ao mundo sen renunciar ao idioma galego", o BNG pode "liderar", proclamou.Tras unha manifestación marcada pola chuvia, pero con ton festivo e entre consignas a prol da autodeterminación con lemas como "Galiza ceibe, poder popular", Ana Pontón chamou a confrontar a "idea rancia de que só existe a nación española" co "nacionalismo do século XII, aberto ao mundo, internacional e cosmopolita" no que, afirma, se encadra o BNG. "Somos un movemento emancipador e de progreso, xusto o contrario do que representa o chovinismo, o imperialismo e o españolismo que queren dominar outros pobos"."O nacionalismo -acrecentou- significar cambiar o mundo empezando pola parte que temos máis preto" e nese sentido, "se queremos un país con futuro, con capacidade para autogobernarse de verdade, necesitamos partidos libres". E a "única" forza que pode desempeñar ese rol "chámase BNG, quen pode cambiar as cousas é o BNG"."Ou damos nós voz a este país ou está visto que ninguén o fai", reflexionou Pontón no acto central do BNG polo Día da PatriaO traspaso da AP-9, a loita pola recuperación de Meirás ou o cuestionamento da continuidade de ENCE son para a líder do Bloque mostras de que a axenda política da formación que encabeza está xa no centro do debate público galego. O mesmo que a activa participación das mulleres galegas nas recentes mobilizacións feministas.Todas esas cuestións, considerou Pontón ante a militancia e simpatizantes no acto da Quintana, poden trasladarse ao Goberno galego se nos vindeiros comicios hai un "cambio real" que só o BNG pode garantir. Así e todo, admitiu, é posible que a "situación que se vive no Estado" provoque outra convocatoria de eleccións xerais en novembro. Se é así "iremos a por todas, deixando a pel para que Galiza volva ter voz e peso da man do BNG". "Porque ou o facemos nós, darlle voz a este país, ou está visto que ninguén máis o fai", concluíu.Tras os actos centrais da campaña do Día da Patria diversos dirixentes do Bloque participan, durante a tarde do 25 de xullo, en diversas actividades lúdicas e culturais ligadas ao Festigal. O festival impulsado por Galiza Nova, a Fundación Galiza Sempre e o propio BNG estivo a celebrarse un ano máis no Campus Vida da USC. |
PRAZA_12074 | Julio Álvarez converteu o concello nun fortín inexpugnable. Superado o tempo de Cacharro na Deputación e de Fraga na Xunta, non goza dunha relación tan privilexiada coa nova oligarquía popular pero así e todo resiste. A súa ferramenta para manterse son os empregos que lle ofrece á veciñanza e un aparello propagandístico que conta cunha radio e televisión municipal como instrumentos. | Quiroga sitúase como unha transición entre as comarcas de Lemos e Valdeorras encravadas nas actuais provincias de Lugo e Ourense. A pesar de ser unha vila de 3.726 habitantes, segundo amosa o censo de 2010, non deixou de perder poboación durante os últimos 25 anos. E hai precisamente 25 anos que o actual alcalde, Julio Álvarez, tomou posesión como rexedor da vila encabezando as listas do Partido Popular. O rexedor converteu electoralmente o concello nun fortín inexpugnable para a esquerda, quen non foi capaz de baixar os rexistros electorais dun home que gaña todas as convocatorias e que conta hoxe cunha cómoda maioría absoluta cifrada en 8 concelleiros fronte aos 3 da oposición. O seu poder levouno a ser vicepresidente da Deputación de Lugo, cando estaba en mans do PP, e a conseguir importantes investimentos para unha vila de tamaño medio. Incluso o propio José María Aznar visitou o concello, como presidente do PP, para inaugurar un centro da terceira idade encravado no centro do pobo. Hoxe en día, superado o tempo de Cacharro na Deputación e de Fraga na Xunta, non goza dunha relación tan privilexiada coa nova oligarquía popular pero así e todo resiste. A súa ferramenta para manterse son os empregos que lle ofrece á veciñanza e un aparello propagandístico que conta cunha radio e televisión municipal como instrumentos. Hoxe en día, superado o tempo de Cacharro na Deputación e de Fraga na Xunta, non goza dunha relación tan privilexiada coa nova oligarquía popular pero así e todo resiste A oposición socialista e nacionalista non conta con acceso a esta canle pública para expor os seus plantexamentos e descoñece con exactitude o orzamento dedicado a este ente público. O voceiro do BNG, Ánxel Rodríguez, queixase e di: "Non temos acceso as contas públicas da radio e da televisión e temos que pensar que polo menos hai 3 ou 4 empregados". Dende o BNG teñen que conformarse con ver que "hai telexornais e unha Audiencia Pública, onde o alcalde expón as súas teorías sen ningún tipo de replica e todo previamente pactado". O único que non controla é a rede, de aí que desconfíe das novas tecnoloxías e dea instrucións aos presentadores da televisión para que obvien este sistema de comunicación: "Eu o que non vou facer e entrar o trapo, por iso que sexa a última vez que se me pregunte a min sobre isto". A advertencia foille feita en directo a presentadora do espazo Audiencia Pública. O portavoz nacionalista asegura que "temos as redes sociais como aliadas e tamén o crecente coñecemento da xente que ata agora calaba porque lle daba traballo". Ánxel Rodríguez expón como exemplo do talante democrático a celebración dun pleno ordinario do mes de novembro pasado: "Na quenda de rogos e preguntas expulsounos a todos da sala de moi malos modos e logo empregou a televisión para xustificarse baseándose nuns criterios de rectitude ficticios". Dende aquela o concello quirogués non volveu a acoller ningún pleno ordinario, só un extraordinario no mes de xaneiro, que transcorreu con normalidade ao non haber rogos e preguntas". A oposición emprega as redes sociais con habilidade para tratar de contrarrestar a ofensiva do rexedor. Tanto o BNG coma o PSdeG válense de militantes que detrás do anonimato fan chanzas coa forma despótica de proceder do rexedor municipal. Porén, tras ver que non podía coa rede, o alcalde sumouse ás redes sociais e as súas entradas non deixan indiferente a ninguén. En referencia a unha candidata nacionalista non elixida que participou como espectadora no pleno de novembro escribiu no seu muro: "Sobre a imbécil, más que fea, horrible e multiplicado por MIL, mala persoa...cándo atendes a túa casa? Días máis tarde comunicou que "iso podía referirse a calquera". Postos de traballo Non obstante non todos son inimigos. O alcalde goza do silencio cómplice de moitos e moitas quirogueses. Poucos o defenden publicamente pero algún como o presidente do colectivo de aceiteiros da zona, Jesús Bao, sosteñen que "é moi boa persoa, fixo moito por Quiroga e para dar traballo non lle pregunta a ninguén a que partido vota". O alcalde, din dende a oposición, tivo sorte porque "tivo moitos instrumentos para crear emprego nas súas mans incluso na etapa do bipartito". O último foi o Plan Laxa pensado para a inserción profesional dos parados de longa duración do sector da lousa. Julio Álvarez xestionaba directamente os postos de traballo subvencionados pola Xunta para ofrecer e aparecer como o buscador das axudas. A súa acción de goberno complétase con medidas efectistas como a participación na gravación dun capítulo para a serie de Telecinco, Hospital Central A súa acción de goberno complétase con medidas efectistas como a participación na gravación dun capítulo para a serie de Telecinco, Hospital Central, ou a contratación de estrelas televisivas para o pregón da festa do viño. Porén, tras estas frivolidades, a oposición acusa ao rexedor de practicar unha política de censura férrea, de non tomar medidas para asentar poboación e de construír grandes edificios públicos com o Museo Etnográfico, o Centro Social ou o Auditorio, que están case sempre baleiros e que son o exemplo dunha vila en decadencia. Páxina web da radiotelevisión municipal de Quiroga Páxina web do Concello de Quiroga |
PRAZA_6572 | A oposición compostelá pide explicacións polo uso que o colectivo antiabortista lle dá a unha das vivendas propiedade do Concello que, entre outros usos, estaban destinadas a atender persoas con dificultades sociais como os desafiuzamentos. O piso foille cedido en outubro de 2012 á entidade promovida polo Foro de la Familia. | O desafiuzamento dunha familia na parroquia compostelá de Aríns devolveu hai apenas dúas semanas a problemática dos desaloxos ás primeiras páxinas da actualidade, tanto polo feito en si como pola carga policial e as detencións sufridas polas persoas que tentaban impedilo. Unha vez consumado o lanzamento a polémica na cidade continuou vinculada ao xeito en que o Concello actuara para procurar unha solución para a familia. O alcalde, Agustín Hernández, defende a actuación dos servizos sociais municipais fronte ás críticas da oposición local, que ademais se pregunta por que as persoas desafiuzadas non puideron acceder a un dos pisos de emerxencia social dos que dispón o Concello. Un deles está actualmente ocupado pola Red Madre, a organización antiabortista promovida polo Foro Español de la Familia. Despois de que Hernández, ademais de asegurar que o consistorio fixera todo o que estaba na súa man, indicase que o caso foi "reconducido" ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e que o "cabeza de familia" non "prestara" a súa "conformidade á axuda que se lle ofrece", a concelleira socialista Mar Martín preguntoulle por escrito ao equipo de goberno polo uso destes pisos. Co anterior goberno local tres destes pisos -son cinco en total- permanecían baleiros para poder "atender necesidades ou emerxencias" cando fose necesario. Tratábase, di, en declaracións a Praza, de que estivesen dispoñibles para que persoas con problemas sociais puidesen "vivir alí transitoriamente" antes de iniciar "unha vida independente". O grupo antiabortista anuncia o piso como 'Centro Red Madre Santiago' O feito de que algunhas destas vivendas non tivesen ocupantes fixos foi obxecto de "cantidade de polémicas" entre o concello e a oposición municipal na etapa de Paula Prado como responsable municipal de Servizos Sociais. Foi durante o seu mandato, concretamente na Xunta de Goberno Local do 31 de outubro de 2012 -xa con Ángel Currás como alcalde-, cando se aprobou o "uso gratuíto" dun dos pisos para a Red Madre e o outro para a asociación Sarela, que atende persoas con dano cerebral e que xa dispuxera das vivendas co anterior goberno "non para que tivese alí actividades", especifica Martín, senón para "que vivisen alí persoas" que, por exemplo, estiveran ingresadas e que aínda non podían vivir soas. "Tiñan unha finalidade moi concreta e estrita", subliña. O PSdeG compostelán pide explicacións sobre a cesión do piso, aprobada na etapa de Paula Prado como edil de Servizos Sociais Mentres o PSdeG compostelán agarda pola explicación do Concello -este diario tamén o consultou ao respecto e, polo momento, non obtivo resposta- o colectivo antiabortista presenta este piso como Centro Red Madre Santiago na súa web, na mesma na que explica que na provincia da coruña ten a denominada Asociación Provida como "entidade colaboradora". Se este colectivo utiliza o piso "como sede" na capital galega a edil socialista advirte de que "imos presentar unha queixa ou algo a maiores, porque se estaría producindo unha distorsión do uso dun espazo público" e "unha asociación destas características non cumpre ningunha das condicións necesarias". Outras vías de financiamento público A cesión dun piso do Concello de Santiago non é, nin de lonxe, o único soporte público deste colectivo antiabortista. Xusto despois de recuperar a maioría absoluta en Galicia, en 2009, o PP promoveu no Parlamento a tramitación da iniciativa lexislativa impulsada polo Foro de la Familia para, formalmente, constituír unha "rede de apoio á muller embarazada". A norma, a efectos prácticos, supuxo garantir por lei o financiamento das actividades da Red Madre, que só entre 2012 e 2013 recibiu case 120.000 euros en subvencións da Secretaría Xeral de Igualdade, a maior parte para sufragar gastos de persoal. Outra das consecuencias máis rechamantes desta lei foi o "protocolo de renuncia de bebés no hospital", aprobado polo Consello da Xunta en maio de 2012 para "favorecer que a nai xestante" decida "continuar co embarazo" e "garantir a confidencialidade no caso de decisión de renunciar ao seu fillo/a". A Xunta subvencionou con 120.000 euros o persoal da Red Madre entre 2012 e 2013 As achegas de fondos públicos á Red Madre veñen sendo criticadas reiteradamente pola oposición parlamentaria galega e tamén por outras organizacións entre as que tamén está, precisamente, Stop Desafiuzamentos Compostela. Despois de que, en novembro de 2013, a prensa local presentase o grupo antiabortista como mediador para solucionar o caso dunha familia con menores ao cargo que fora desafiuzada, a plataforma cidadá advertiu de que esta "sinistra entidade" se estaba a "aproveitar da xente en situacións de extrema vulnerabilidade para facer negocio da miseria e funcionar como altofalante das ideas máis rancias da dereita cavernaria". A Red Madre, lembraban daquela, recibía fondos de entidades bancarias como La Caixa e a antiga Novagalicia Banco. A Xunta adxudica por 300.000 euros unha nova campaña de propaganda para animar a ter fillos |
NOS_35861 | Os populares rexistran no Congreso unha proposición non de lei para que o TC multe ou suspenda a quen incrumpra as sentencias. "A broma terminou", dixo Albiol, candidato do PP en Catalunya. | O goberno español prepara unha reforma da lei urxente que regula o Tribunal Constitucional para que este organismo teña capacidade sancionadora e poida multar ou suspender a quen non acate as súas sentencias. O anuncio véñeno de facer esta terza feira en Madrid o voceiro do grupo parlamentar do PP, Rafael Hernando, e o candidato dos populares nas eleccións cataláns do 27S, Xabier Albiol. Un anuncio que chega a 10 días de que comece a campaña electoral. Albiol afirmou que "a broma terminou", en referencia ao proceso soberanista catalán, e defendeu a proposta do PP como a "evidencia" de que "ninguén vai proclamar a independencia de Catalunya". Pola súa parte, Rafael Hernando dixo que "vimos situacións de desacato e iso ten que acabar". A reforma impulsada polo PP rexistrouse por procedemento de urxencia para que poida ser aprobada nesta lexislatura e evitar os informes pertinentes do Consello de Estado e o Poder Xudicial. |
NOS_54488 | Camilo José Cela foi Premio Nobel de Literatura. Camilo José Cela foi marqués de Iria Flavia. Pero Camilo José Cela tamén foi delator. Chivato e censor de compañeiros de profesión e de individuos cos que se cruzou na vida, o padronés destacou desde os inicios do réxime franquista como un voluntario máis que disposto a facer o que ordenase o Movemento. No concello de Mondariz apareceu unha das copias existentes da carta coa que o escritor se ofreceu en 1938 a informar e denunciar os rojos cos que se atopara por Madrid. | "A máis nobre función dun escritor é dar testemuño, como acta notarial e como fiel cronista, do tempo que lle tocou vivir". É unha das frases que deixou para as hemerotecas o único Premio Nobel con sotaque galego, Camilo José Cela, unha figura admirada por moitas pola súa maneira de escribir, pero que tamén demostrou ao longo da súa vida unha sombra máis que escura. Habituais e socialmente aceptados foron os seus malos modos, contestacións malencaradas e mesmo insultos, pois non facían máis mal que o de impresionar as orellas que os escoitaban. Porén, hai unha faceta de Camilo José Cela que pasou case totalmente desapercibida, pero que amosa unha personalidade moito máis perigosa. O escritor de Iria Flavia quixo ser chivato. Era marzo de 1938 e transcorría xa ano e medio do levantamento falanxista encabezado por Francisco Franco cando Cela, daquela un mozo de 21 anos, enviaba unha carta ofrecendo os seus servizos como delator ao comisario xeral de Investigación e Vixilancia, a policía política. Na misiva, o que aínda non era escritor preséntase voluntario para "querendo prestar un servizo á Patria axeitado ao seu estado físico, aos seus coñecementos e ao seu bo desexo de boa e vontade, solicita o ingreso no Corpo de Investigación e Vixilancia. Que tendo vivido en Madrid e sen interrupción durante os últimos 13 anos, cre poder prestar datos sobre persoas e condutas, que puidesen ser de utilidade. Que o Glorioso Movemento Nacional se produciu estando o solicitante en Madrid, de onde pasou con data 5 de outubro de 1937, e que por iso mesmo cre coñecer a actuación de determinados individuos". Víase entón o padronés como un elemento de grande eficacia e utilidade para o novo réxime xurdido da sublevación, pois coa información e os contactos que mantivera neses 13 anos en Madrid podía permitir a caza de rojos e individuos con actitudes contrarias á ideoloxía propugnada por Francisco Franco. O documento orixinal ten pasado por moitas mans e existen copias en diferentes rexistros, como unha atopada por unha muller que traballou durante un tempo no consistorio de Mondariz. Pero a faceta de Camilo José Cela, galego universal gañador do Nobel, como chivato represor segue a levar unha pátina de opacidade. No momento no que Cela realiza esta petición, Galiza é zona dominada polo bando nacional, na que rexe a nova organización impulsada polo autoproclamado Goberno de Franco en Burgos no mes de xaneiro, malia sobrevivir pequenos conatos de rebelión contra o exército franquista. O futuro Nobel, con domicilio na avenida da Habana 23 e 24, un palacete da actual Cidade Xardín da Coruña que agora está á venda por case tres millóns de euros, é entón estudante do corpo pericial de Aduana e declarado "inútil total" para o servizo militar polo Tribunal Médico Militar de Logroño, a praza na que prestara servizo como soldado do Rexemento de Infantería de Bailén número 24, no bando sublevado. Como sinalan os autores Antonio Lorente Medina e Julio Francisco Neira Jiménez, alí chegara despois de que o inicio da Guerra Civil o sorprendera convalecente en Madrid por unha tuberculose. Aínda que entón, e debido a esta doenza, fora considerado "inútil" para estar no exército, Cela logrou saír da capital para trasladarse a Valencia a mediados de 1937, e desde alí, e de acordo coa súa ideoloxía conservadora, incorporouse ás filas de Franco en Logroño. Na batalla foi ferido, declarado definitivamente "inútil" e enviado de volta para a Galiza. Pero na Coruña atopou outra fórmula de lealdade ao réxime: "Que non ten carácter de definitiva esta petición, e que se entende soamente polo tempo que dure a campaña, ou mesmo para os primeiros meses da paz se en opinión dos meus superiores son de utilidade os meus servizos. Que por todo o exposto solicita ser destinado a Madrid, que é onde cre poder prestar servizos de maior eficacia, ben entendido que se a xuízo de V.E. son máis necesario en calquera outro lugar, acato con todo entusiasmo e con toda disciplina a súa decisión". Coincide a petición do de Iria Flavia co momento en que o exército sublevado ocupa Catalunya. De feito, La Hoja del Lunes do 4 de abril de 1938 fai fincapé en que "Lérida volveu ser de España", e que as forzas do xeneral Yagüe ocuparan a capital do Segre. Este feito ten tanta relevancia que o gobernador civil da Coruña, Julio Muñoz Aguilar, escribe unha nota na portada da publicación na que se fai eco do éxito e ordena acudir ás 12 horas do día seguinte a unha manifestación convocada no Obelisco da cidade herculina. "O voso posto está na rúa, vibrando de emoción ante o nome de España e o Caudillo", sinala Muñoz de Aguilar, que tamén pide unha oración polos caídos e que as varandas da cidade luzan as bandeiras de España coas cores vermella e gualda. Para demostrar a obrigatoriedade da presenza na marcha, estabelécese tamén que desde as 11.30 e até as 13 horas se fechen os comercios, os bancos, os centros oficiais e os obradoiros non militarizados. "II Ano Triunfal", remata a nota do gobernador civil, co emprego exactamente da mesma fórmula utilizada na misiva de ofrecemento por Camilo José Cela. Censor na Posguerra Non se coñece máis sobre se a súa candidatura foi admitida ou rexeitada, pero o que é certo é que na Posguerra comezou a exercer como censor, un labor que realizou entre os anos 1943 e 1944 desde as oficinas da Sección de Información e Censura do Glorioso Movemento Nacional, baixo as ordes do ideólogo falanxista Juan Aparicio, o mesmo que o leva a colaborar en publicacións controladas pola Delegación Nacional de Prensa como El Español ou La Estafeta Literaria, e grazas ao que obtivo o carné de xornalista. As súas ideas reflectíanse nos seus artigos –malia que é ben certo que tamén el sufriu a tesoira da censura en obras como La familia de Pascual Duarte–, como é o caso dun na revista El Alcázar do ano 1949, no que lanza unha carta aberta a Millán Astray, fundador da Lexión. "A guerra non é triste, porque levanta as almas. A guerra non é triste, porque nos templa o sangue. A guerra non é triste, porque nos ensina que, fóra da bandeira, nada, nin aínda a vida, importa", escribe o padronés. Xa desde moi novo deixou claro Camilo José Cela o seu gusto por aproximarse ao poder. Moitos autores consideran isto, xunto á súa ideoloxía conservadora, quer a razón pola cal se ofreceu a ser un delator quer a que o levou a traballar como censor para o réxime franquista, un labor grazas ao cal tamén puido construír a súa carreira literaria. Mesmo nos anos 60 observan algunhas expertas que Cela fixo de delator de escritores intelectuais e disidentes. Nun artigo publicado no ano 2004 no diario británico The Guardian, o historiador Pere Ysas, da Universitat Autónoma de Barcelona, asegurou que tiña nas súas mans un informe interno dirixido a un Manuel Fraga que era o ministro de Turismo da época na que o escritor de Iria Flavia –xa recoñecido como autor– suxería que subornara algúns escritores para recuperalos para a causa do réxime franquista, unha actividade que mesmo tiña un orzamento: 20 millóns das antigas pesetas. O informe ten como base unha conferencia de autores que tivo lugar en 1963 –na que estaban, entre outros, Aleixandre, Laín Entralgo, Bergamín, Buero Vallejo ou Celaya– e di, entre outras cousas, que 42 dos 102 asinantes –intelectuais da época– dunha carta que denunciaba a violencia policial contra mineiros en folga en Asturias eran membros do Partido Comunista. Cela, supostamente, explicoulle a Fraga que tivera coñecemento desta carta durante o encontro de artistas, e que precisamente abandonou a conferencia por esta denuncia contra o conflito asturiano. Esta protesta, tamén coñecida como "la huelgona" ou "a folga do silencio" tivo lugar durante a primavera de 1962 e durou dous meses, nos que numerosos mineiros foron deportados e outros moitos sufriron unha durísima represión. O que comezou co despedimento de traballadores no pozo Nicolasa rematou coa mobilización de preto de 65.000 obreiros de diversas industrias. Estes manifestáronse de xeito pacífico, silencioso e cun pouso de gran solidariedade, chave para manterse contra os franquistas, o que deixou estrañado o réxime. No entanto, ao paso do primeiro mes das protestas a situación complicouse debido a problemas de subsistencia, e algúns crebafolgas tentaron volver traballar. Entón, mulleres integradas no Partido Comunista resolveron continuar e organizar piquetes, ademais de crear redes solidarias para conseguir víveres. As reivindicacións foron finalmente concedidas, en parte, polo ministro xeral do Movemento, José Solís: melloras salariais, revalorización das pensións, anulación dalgunhas sancións e mesmo liberdade para os detidos, uns 400 traballadores. Precisamente os solidarios coa protesta mineira sinalaba daquela Cela na súa vertente de chivato, segundo Ysas. Entre os primeiros aos que suxería "recuperar" estaba o médico, historiador, ensaísta e filósofo Pedro Laín Entralgo, porque tiña un carácter máis feble que outros antifranquistas do grupo de artistas, segundo o escritor de Iria Flavia. Vontade "Non hai nada que indique que lle pedisen axuda, parece que simplemente o fixo por propia vontade", sinala Pere Ysas sobre o chivatazo de Cela, e afonda en que non ten probas de que esta operación se activase. O que si explica é que semella que Fraga era consciente de que Camilo José Cela estaba a intentar facer méritos para conseguir maior status e recoñecementos. O mellor Cela, o máis prolífico como académico na Real Academia Española, é o Cela da Posguerra, ben sexa casualidade, labor das musas ou certa simpatía do e polo réxime. Sinala a experta Mariángeles Rodríguez Alonso, da Universidade de Murcia, que aceptar ou asumir a censura –cando menos superficialmente– era entón indispensábel para acceder ao sistema e ter posibilidades de publicación: "Os censores tendían a impoñer, non unha ideoloxía concreta, senón un rexeitamento a toda reflexión ideolóxica sobre fenómenos sociais ou de convivencia. A participación do cidadán na función política tiña que ser mínima e meramente externa, porque o que interesaba era fomentar o desinterese político". Dicía o escritor Dionisio Ridruejo que Cela tiña unha "estratexia da fama, o culto á personalidade e a vontade imperativa". E xa fose por un sentimento xenuíno de asunción da causa falanxista ou por medrar a calquera custo dentro do movemento franquista, o certo é que o marqués de Iria Flavia foi un delator por vontade propia. |
PRAZA_8496 | A Fiscalía acusa o ex presidente do ente provincial de 'colocar' máis de cen persoas no organismo en 2010. O PSdeG vai recorrer o auto para que se amplíe a acusación contra Baltar a outros delictos como malversación de fondos públicos e falsidade documental. | A xustiza cerca a José Luis Baltar. O que fora presidente da Deputación de Ourense vén de ser imputado formalmente no proceso xudicial que a Fiscalía abriu contra el polos masivos enchufes realizados en 2010. O xuíz titular do Instrucción número un de Ourense, Leonardo Álvarez, imputa o ex barón un presunto delito de prevaricación continuada. Baltar é imputado formalmente polos masivos enchufes de 2010 Así, o xuíz abre así xuízo oral contra Baltar e pide á Fiscalía e as acusacións particulares que formulen agora escrito de acusación. É imputado, xa que logo, polo mesmo delito que recollía a querela presentada polo fiscal xefe de Ourense, que cre o ex presidente da Deputación responsable dos enchufes de 104 persoas na institución provincial durante o ano 2010. O auto incluso vai máis aló, ao vincular estas contratacións masivas á vitoria do fillo de Baltar no congreso do PP ourensán, celebrado pouco tempos despois de que se confirmase a incorporación á Deputación de máis dun cento de persoas vinculados dun xeito ou outro á formación conservadora. Ademais, a Audiencia Provincial rexeitou a paralización da querela, tal e como reclamaba a defensa, e pide que a investigación siga para aclarar os feitos e verificar se hai indicios de criminalidade. Leonardo Álvarez non aceptou a reclamación do PSOE, que pedía que Baltar fose xulgado tamén por malversación. Do mesmo eito, rexeita imputar tres funcionarios aos que os socialistas tamén consideraban sospeitosos. Os socialistas van recorrer o auto para que se amplíe a acusación contra Baltar a outros delictos como malversación de fondos públicos e falsidade documental. Hai unhas semanas o voceiro do PSdeG na Deputación de Ourense, Ignacio Gómez, acusaba a Baltar de "beneficiar a 8.000 persoas vinculadas ao PP dun xeito ou doutro" dende a presidencia do ente provincial. Gómez concluia que "de 700 persoas que traballan na Deputación, só hai 15 casos nas que non damos localizado ningunha vinculación do PP. Así é moi doado gañar eleccións; historicamente ese é o triunfo do caciquismo: cando peor está a xente é cando se recorre a este tipo de técnicas e iso é o que aconteceu durante máis de vinte anos mentres moita xente mirou cara a outro lado". O socialista engadia que "tamén estamos falando de cando había unha entidade financeira, que todos sabemos cal é [Caixa Ourense] e que tamén estaba controlada pola Deputación. Tampouco é unha invención nosa; é moi curioso que moitos alcaldes e cargos do PP nesta provincia traballan ou traballaron nesa entidade bancaria". |
NOS_30752 | En só catro anos, 2010-2014, Galiza perdeu 1.404 investigadores. | A I+D+i, chave para o avanzo e desenvolvemento dun país, tamén foi vítima da política de recortes aplicada polos gobernos de Núñez Feijóo. Reduciu un total de 150 millóns de euros ao Plan Galego de I+D+i dende a súa chegada en 2009, e dos fondos que ficaron deixou sen executar por volta de 200 millóns de euros. Un recorte que axuda a entender como o investimento en Galiza en investigación, desenvolvemento e innovación pasou durante estes anos de goberno popular do 1,06 ao 0,87 por cento do PIB". Os recortes en I+D+i da Xunta nestes anos foron de case o 20%, o que supón 9 puntos por riba da media do Estado Estamos a falar de que en Galiza se aplicou un recorte de case o 20% cando na media do Estado foi do 11%. Así, destinamos a investigación o 0'87% do noso PIB (datos 2014), lonxe do 1,23% que inviste España e moi afastados do 2% que de media adica a Unión Europea. Un 35% menos que a media estatal e un 60% menos que a UE. Non deixa de ser curioso que o propio executivo de Núñez Feijóo marcou no Plan Galego de innovación e investigación o obxectivo dun mínimo do 2%. Perda do tren Nese período (2010-2014) o noso país perdeu 1.404 investigadores,. Profesionais ben formados que tiveron que ir ao paro ou ben emigrar. O persoal adicado en Galiza a Investigación, Desenvolvemento e Innovación en relación ao total de emprego en economía é o 1,03%, porcentaxe tamén inferior á media española, que anda polo 1,3%. Outro dato que amosa que non estamos na mellor situación é que o número de empresas que en Galiza empregan tecnoloxía 'alta' ou 'media' eran en 2014 unhas 3.300, o que representa menos do 2% do total do tecido empresarial do noso país. Esta febleza supón un claro lastre para o desenvolvemento futuro No que atinxe ás compañías con "actividades innovadoras", eran 1.066, un 24% menos que hai unha década. "Esta febleza supón un claro lastre para o desenvolvemento futuro [de Galiza] que non é quen de implementar unha política científica e de innovación que lle permita afrontar as necesidades tecnolóxicas futuras", explican Foro Económico Galego. Xa en 2012 houbera mobilizacións en Galiza contra esta política de recortes, uns protestos nos que estivo presente o colectivo 'Precari@s', moi activos en denunciar as consecuencias para o país desta ausencia de compcomiso co I+D+i. Un dos voceiros dfeste colectivo, Andrés Pérez, alertaba que "a situación para o sector científico está a se volver insostíbel" e denunciaba: "Aos políticos éncheselles a boca dicindo que hai que gastar en investimento e en inovación, mais non se fai, e tamén se aproveitan de que á cidadanía non lles chegan os beneficios directos da ciencia". |
NOS_50342 | As autoridades israelitas veñen de detectar que os contaxios disparáronse entre a poboación unha vez que tivo lugar o regreso aos centros educativos. | As autoridades israelitas decretaron un confinamento de tres semanas para o conxunto da poboación, unha vez que se dispararon os contaxios por coronavirus. A resposta de Israel ao comezo da pandemia foi considerada como modélica polo conxunto dos organismos internacionais. Porén, a situación descontrolouse unha vez que autorizaron o retorno ás aulas. O confinamento entrou en vigor hoxe e fixa unhas duras condicións para limitar a mobilidade co obxectivo de evitar a expansión do virus. Segundo sinalou o Executivo de Israel, os residentes non poden saír das súas vivendas a unha distancia superior a 500 metros, ficando, ao tempo, fechados escolas, edificios públicos, centros comerciais e estabelecementos hostaleiros. O primeiro ministro, Benjamín Netanyahu, afirmou que as medidas van estar vixentes durante todas as vacacións até a festividade de Simjat Torá, que se celebra entre o 10 e o 11 de outubro, e adiantou a prohibición de reunións de máis de 10 persoas en espazos interiores ou de máis de 20 ao aire libre. "Isto pode ser o máis importante", sinalou Netanyahu, quen destacou que "estes pasos teñen un custo moi alto para nós". |
NOS_48319 | A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza, para o vindeiro día 26, Roteiros Literarios por Cee e Muxía. Un evento que conta co patrocinio da Deputación da Coruña e coa colaboración dos Concellos protagonistas das rutas. | Os Roteiros Literarios por Cee e Muxía que se desenvolverán o sábado 26 forman parte dunha iniciativa da AELG que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Así, o Roteiro Literario por Muxía, correrá a cargo do autor Xan Fernández Carrera e o Roteiro Literario por Cee, guiarao Concha Blanco. Deste xeito, explican desde a asociación, "posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria". Posteriormente, o texto dos roteiros será subido á páxina web da AELG, quedando así a disposición da poboación. Os roteiros comezarán ás 11:30 horas do sábado, cunha duración estimada de hora e media. No desenvolvemento da actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes e será preciso cumprir coa distancia de seguridade e co uso de máscaras. A inscrición é de balde e obrigatoria, por mor das medidas de protección da Covid-19, e farase mediante un correo electrónico a [email protected]. Sobre as guías da AELG Xan Fernández Carrera, guía no roteiro por Muxía, é un docente e ensaísta de Vimianzo que centrou a súa obra, especialmente, na Costa da Morte e na comarca de Bergantiños. Concha Blanco, que guiará as persoas asistentes á ruta en Cee, naceu na ría de Lires, nese municipio e, ademais da docencia, realizou publicacións didácticas e infantís como Poemas para pintar ou Contos para a escola. |
NOS_7434 | A vaga de calor do pasado mes de xuño causou 14 falecementos. | O aumento das temperaturas e as vagas de calor, cada vez máis frecuentes en lugares como a Galiza onde até non hai tanto eran case que descoñecidas, tamén causan mortes. O Sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas (MoMo) do Instituto Carlos III recolle que na pasada vaga de valor a mediados do mes de xuño —e que na Galiza tivo moito menos incidencia que no resto do Estado— faleceron no país 14 persoas como consecuencia das altas temperaturas. Unha cifra que, a nivel de Estado español, superou as 700 persoas mortas, con Madrid como territorio máis afectado (208 falecementos). A Galiza, canda Asturies e A Rioxa, é onde menos mortes se rexistraron. A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) activa a partir de hoxe a alerta vermella na Galiza por temperaturas extremas. Vaga de calor: seis consellos prácticos e sinxelos para combater as altas temperaturas que axexan o país En incremento Un informe do MoMo publicado o 5 de xullo cifra en 556 as defuncións na Galiza atribuíbeis á temperatura desde o pasado 2020. En marzo e xuño as persoas falecidas por esta causa no país foron 34, cifra na que se engloban as 14 persoas antes mencionadas en relación á vaga de calor. No que vai de ano, o sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas rexistrou máis de 100 persoas falecidas na Galiza como consecuencia das temperaturas. En todo 2021 foran 171 as mortas, por 61 en 2020. Mortaldade que aumenta por cada grao que sube A mortaldade como consecuencia das vagas de calor é cada vez máis preocupante. A prestixiosa revista The Lancet rexistraba máis de 356.000 persoas falecidas por mor da calor extrema en 2019. A calor tamén é percibida de modos diferentes en función dos rangos de temperatura na que cada persoa estea aclimatada. Non é a mesma percepción de calor en Viveiro, no norte galego, que no Algarve, no sur portugués. Así, o propio Instituto Carlos III e a Aemet, teñen estudos que permiten coñecer por territorios tanto a temperatura a partir da cal aumenta a mortaldade como a porcentaxe na que incrementa esa mortaldade unha vez que se traspasa dito limiar. Así, esa temperatura a partir da cal aumentan os falecementos era na Coruña de 26 graos e en Pontevedra, 30. Superadas esas temperaturas, os falecementos aumentan en 6% na provincia coruñesa e 7% na pontevedresa. Nas de Lugo e Ourense ese aumento sería, en base a estes estudos, de 13% e 5% respectivamente. A alerta máxima pola vaga de calor esténdese ao conxunto da Galiza até a sexta feira Precaucións O informe climatolóxico anual de MeteoGaliza sinalou que o ano 2021 se caracterizou por ser seco e cálido na Galiza, que tivo unha temperatura media de 13,93 graos, 0,32 graos por riba do valor esperado, co que rexistra unha suba por noveno ano consecutivo. A Axencia Estatal de Meteoroloxía lembra que agora o tempo de verán ocupa "cinco ou seis semanas" máis que na década dos 80, e con temperaturas máis altas; o que implica maiores riscos para colectivos sensíbeis, como poden ser as persoas maiores ou as crianzas, entre outros. Unha masa cálida eleva aínda máis os termómetros Após unha fin de semana cos termómetros superando os 30º en boa parte ha Galiza, hoxe chega unha masa aínda máis cálida que fai que se activen avisos de alerta vermella por altas temperaturas en zonas do sur do país. Van ser días de suba continuada das temperaturas, sendo especialmente altas en Ourense —por riba dos 40º até a sexta feira— ou Valdeorras (entre 38º e 40º), mais tamén en Vigo (entre 37º e 38º) ou Vilagarcía (37º). |
Subsets and Splits
No community queries yet
The top public SQL queries from the community will appear here once available.