ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_35972
O profesor Rubén Camilo Lois González (Palas de Rei, 1961) será o novo vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional. A súa escolla produciuse grazas a, explica, "certa unidade ibérica". Os xeógrafos portugueses foron decisivos ao apoiar a súa candidatura.
A Unión Xeográfica Internacional (UXI) fundouse en París en 1922, aínda que a súa prehistoria remóntase a 1871, cando Amberes acolleu o primeiro Congreso Xeográfico Internacional. Entre as súas funcións, salienta Lois González, dúas fundamentais: coordinar os avances xeográficos internacionais e colaborar con organismos internacionais. Por caso, cos Obxectivos do Milenio da Unesco. O xeógrafo galego, que tomara posesión do cargo en agosto, na Conferencia Rexional do Quebec, quere que o seu mandato -de catro anos, renovábel por outros catro-, contribúa a un dos debates en curso entre os xeógrafos do mundo: o da diversidade lingüística na ciencia e a distribución do coñecemento. "É certo que na Unión existe aínda certa lóxica poscolonial e unha sobrerrepresentación do norte", indica o tamén colaborador de Sermos Galiza, "mais empeza a mudar e os países emerxentes ocupan o seu lugar". Facer que as linguas románicas -e outras: o papel de China e Rusia é cada vez máis importante- sexan linguas de traballo para debilitar a dominación do inglés axudará nesa corrección. "A rebaixar a dependencia do mundo anglosaxón", matiza. "En Brasil, por exemplo, a ciencia xeográfica é moi potente", expón Rubén Lois, "e debemos facer un intento de implicar América Latina. Eu defendín moito isto, como galego". E aos xeógrafos portugueses gustoulles a súa aposta. Tanto que chegaron a defender a candidatura do galego "como a dun portugués". A Unión Xeográfica Internacional nunca estabeleceu moita relación con Galiza. Só un ilustre intelectual, o escritor e -precisamente- xeógrafo Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976), mantivo vínculos durante a etapa da Revista Nós. "Os cataláns foron, historicamente, os que máis traballaron coa Unión", di. Despois da Conferencia Rexional do Quebec, a vindeira cita será o Congreso Xeográfico Internacional de Istambul, en 2020. Lois González percíbeo como o encontro "do mundo do sur". "O coñecemento xeográfico é poder", sinala, "e hai que democratizar a difusión da ciencia xeográfica". En 2022, París conmemorará o século da UXI -"os franceses tamén están preocupados por frear a hexemonía anglosaxoa". E dous anos despois, Dublín. "Os irlandeses son moi amigos nosos. Aproveitaremos certa lóxica atlántica, céltica, e faremos algunha xuntanza previa en Galiza", remata.
PRAZA_13017
Miguelanxo Prado vén de publicar con El Patito Editorial a versión en galego de Trazo de xiz, un dos seus libros máis aplaudidos e premiados. Publicado en castelán en 1994 por Norma, Trazo de xiz tivo que agardar case dúas décadas para chegar as librerías en galego, idioma no que se escribiu orixinalmente. Ademais, Prado xa prepara o seu próximo libro: Ardalén, unha historia sobre a memoria individual e familiar que chegará as librarías en galego a finais de ano tamén con El Patito Editorial
Miguelanxo Prado vén de publicar con El Patito Editorial a versión en galego de Trazo de xiz, un dos seus libros máis aplaudidos e premiados. Publicado en castelán en 1994 por Norma, Trazo de xiz tivo que agardar case dúas décadas para chegar as librerías en galego, idioma no que se escribiu orixinalmente. Ademais, Prado xa prepara o seu próximo libro: Ardalén, unha historia sobre a memoria individual e familiar que chegará as librarías en galego a finais de ano tamén con El Patito Editorial Trazo de Xiz publicouse por vez primeira en 1994 en castelán. Agora, 18 anos despois, chega a tradución en galego... Realmente, non é unha tradución. É a versión orixinal. E ti mira! Tardouse tanto! Todos os meus libros saen en castelán. Resulta frustrante que saian antes en castelán aínda que sexan concibidos, como é neste caso, en galego? É frustrante cando pasa con todos os libros. Acabas por aceptalo. Dis: "Vén de serie". Ao principio proe e non o entendes. Sobre todo cando ves que todos os teus libros chegan a ser editados internacionalmente. Cando ves que os teus libros saen en países de gran mercado como Francia ou Estados Unidos, velo normal. Pero cando entran en mercados máis reducidos como Finlandia ou Turquía, si que non o comprendes. Pensa en Finlandia. É un país de catro millóns de persoas e parte desa poboación é lapoa, e non se integra neste tipo de cultura e ten o seu propio universo. Entón estamos a falar dun mercado de tres millóns de persoas, pouco máis dos galegos que hai. Como é posible que aos seus editores si lles compense publicar os libros e aos galegos non? Pois ao final debeu ser por unha cuestión de inercia. "A edición en Galicia viu sempre o cómic como algo pintoresco, difícil de encaixar nos seus esquemas comerciais" A edición en Galicia viu sempre o cómic como algo pintoresco, difícil de encaixar nos seus esquemas comerciais. A única que fixera a proba fora Xerais cunha colección compartida con Anaya. Pero logo chegou xa o colmo! Comezaba a haber editoriais de cómic que publican cómic en galego, había xa un mercado de banda deseñada en Galicia e os meus libros seguían sen estar editados. Non o entendía. E despois Gemma Sesar [directora de El Patito editorial] dime que eles pensaban que debía ser case imposible editar os meus libros en galego por mor dalgún tipo de condición que eu puña ou os meus axentes esixían. Tal condición non existiu nunca. E dábano por suposto! Iso cambiou e El Patito agora ten a intención de publicar toda a miña obra en galego. Publicar Trazo de xiz en galego resultaba impensable en 1994? En realidade, o que é difícil de entender é que durante unha morea de anos ninguén vise que había un nicho de mercado, que había un oco clarísimo. Certo é que Galicia ten serios problemas co soporte libro, sexa cómic ou sexa do que sexa, por unha cuestión lectora. Galicia está nos últimos postos de lectura do estado e España, nos últimos de Europa. Iso xa nos sitúa claramente no furgón de cola. E os lectores de banda deseñada son unha minoría dentro dos lectores. Pero todo facía pensar que 1.000 ou 1.500 lectores si que había -e hainos sobradamente- e que se podían manter autores e proxectos. O raro foi que se tardara tanto en normalizar todo. "O que é difícil de entender é que durante unha morea de anos ninguén vise que había un nicho de mercado, que había un oco clarísimo" Ademais, cambiaron moitos as cousas dende aquela. Cando saíu este libro, a nivel estatal e internacional, había unha serie de propostas deste tipo, como a de Trazo de xiz, que eran mínimas. Incorporámonos, nos oitenta, unha serie de creadores que entraron a desenvolver o cómic de autor. Eramos persoas que medraramos lendo os cómics de superheroes e de aventuras, pero tiñamos a idea de que estabamos ante unha linguaxe moi nova, con menos de cen anos. Estaba todo por facer. Había que rebentar a rixidez estética que había no cómic e a rixidez temática. O código era de aventuras ou humorísticos. Todos os clásicos entraban nunha desas categorías ou podía mesturar esas dúas. Pero só iso. Había moito que facer e moitos cambios que levar a cabo. Nese sentido, houbo unha ruptura e unha revalorización, sobre todo para o gran público, coa aparición dese termo de novela gráfica? A verdade é que non hai ningún publicista detrás dese termo, pero foi basicamente unha manobra moi acaída de publicidade. Realmente non cambia nada ese termo. O que estamos vendendo como o gran achado do século XXI no cómic, xa o facía Will Eisner nos setenta. Ao final el é o pai de todo o que fixemos despois. A idea basicamente era usar o cómic do mesmo xeito que un novelista empregaba a narrativa ou o cineasta o cine. Cando saíu Trazo de xiz, os editores tiñan problemas para situalo, para decidir publicalo. Xa era o meu quinto libro, xa me coñecían, pero aínda así lles custaba situalo. Hoxe en día, entraría dentro da normalidade, pero naquel momento furaba en cousas que daquela estaban en cueiros. Un libro como Trazo de xiz a comezos dos noventa era algo desequilibrante. O camiño foi fulgurante, para sorpresa propia e dos editores. Funcionou moi ben en todas as linguas, levou premios a varrer e moitas boas críticas. Iso demostraba que os lectores estaban preparados, que había lectores e que co cómic se podía facer calquera cousa. "Cando saíu Trazo de xiz, os editores tiñan problemas para situalo, para decidir publicalo" Por que cre que funcionou e funciona tan ben este Trazo de xiz, unha historia de illamento e de incomunicación cuxo máxima expresión é ese illote perdido cun faro que non funciona ao que chegan os perdidos e xente que buscan sen saber que buscan? Por un lado, eu creo que a novidade de que calquera lector que o collese tiña a sensación de que era un libro feito para adultos, diso non había dúbida dende a primeira páxina. Despois tamén inflúe que era un libro que non se lle caía das mans ás mulleres. Ese era un problema que tiña o cómic que, no mellor dos casos, era moi sexista. Que sei eu! Pensemos, por exemplo, en Astérix. Todos os protagonistas son masculinos e as mulleres que saen son mulleres de rompe e rasga. Iso é un exemplo livián, pero que amosa que se complicaba moito o achegamento da lectora ao cómic. Aquí eses estereotipos acaban rotos con personaxes como Ana e Sara. Claro. Saltan totalmente polos aires. De feito é difícil decidir se o protagonista é Raúl ou vén sendo realmente Ana. Polo menos Ana é a que máis atención recibe. Ao final, aínda que ten unha parte truculenta con violacións e mortes, a historia está nun plano menos evidente no que se falan de sentimentos. Iso era novo para os lectores. E non quero facer un paralelismo nin nada semellante, pero algo semellante pasaba en Watchmen no mundo dos superheroes. De súpeto, era un libro de superheroes escrito por alguén que quería meter algo máis que porradas e golpes. Ademais, este Trazo de xiz tamén se podía empregar para que os lectores máis fieis do cómic o usasen de agasallo ao xeito de entrada á banda deseñada para a xente que non lía cómic. "Le isto e a ver se che gusta ou non o cómic", podían dicir con este libro. "Trazo de xiz tamén se podía empregar para que os lectores máis fieis do cómic o usasen de agasallo ao xeito de entrada á banda deseñada para a xente que non lía cómic" Se falamos de cómic en Galicia, podemos dicir que vimos da mellor década da súa historia, que vivimos o seu mellor momento? Por suposto. Eu durante unha chea de anos canseime de repetir e repetir que se podía falar dunha rede galega, pero que eramos realmente cinco guerrilleiros. Todo iso foi mudando cun grupo que houbo en Ourense: Fronte Comixario, foi o primeiro que artellou esa idea dun discurso colectivo e común. Houbera outros antes e houbo outros despois, pero eles foron o mascarón de proa dese movemento de base. E logo chegaron os dous míticos: BD Banda e Polakia. De alí estiveron saíndo constantemente xente moi consolidada. "Se produces para unha poboación de dous millóns de habitantes, dos que le un 8%, é absurdo falar disto como unha industria" Iso de "cinco guerrilleiros" lémbrame ao que dixo nunha ocasión Gemma Sesar: "Non hai industria do cómic, seguimos a ser catro francotiradores" Claro, é que hai unha cuestión perigosísima que se foi aceptando: empregar o termo de industrias culturais. Se falas de industria, falas dunha produción seriada de bens e entras nunha concepción de produción de esquema industrial. Claro que hai industria no cómic se falamos de manga e superheroes ou de Astérix ou Tintín. Detrás deles hai unha estrutura comercial e industrial. Pero se produces para unha poboación de dous millóns de habitantes, dos que le un 8%, é absurdo falar disto como unha industria. Non somos unha industria, de feito en España só hai dúas editoras que funcionan con concepción industrial: Panini e Planeta. Esas non son as contas que temos que facer e non creo que debamos pensar nun xeito de produción industrial. Penso que en realidade o cómic é unha actividade que permite perfectamente a supervivencia de pequenos editores, que son os que sacan dignamente os seus produtos e que poden ir canalizando obras e autores con maior coidado. O ecosistema non industrial supón o 90% do mercado realmente.
NOS_52858
Hai setenta anos, falamos do 13 de setembro de 1949, un grupo de gardas civís, que desprazaban detidos a varios enlaces da guerrilla da zona de Chavaga, aplicáronlle a lei de fugas a dous vellos colaboradores da II Agrupación. O seu asasinato exemplifica o carácter da represión franquista e a metodoloxía empregada para rematar coa resistencia ao fascismo.
Foi unha replica da batalla de Chavaga. A caída de Chavaga, en abril de 1949, veu precedida de dous importantes operativos represivos contra os membros destas unidades antifranquistas, provocando un importante número de vítimas nas filas antifascistas. O 24 de febreiro un grupo de sete guerrilleiros dislocouse á localidade estremeira de Ocero para manter unha cita cun enlace co fin de levar adiante un golpe económico.Nesta acción perden a vida Afonso Rodríguez e Henrique Orozco, ficando feridos Francisco Martínez "O Quico" e Henrique Oviedo "O Chapa". Aínda non pasara un mes e tamén como resultado dunha infiltración, son cercados outro grupo de guerrilleiros o 17 de marzo de 1949 no lugar de Vilasinde, no concello da Veiga de Valcarce, iniciándose un combate cun operativo da contrapartida que finalizará coa morte de Abelardo Macías Fernández, Hilario Álvarez Méndez e Elpidia Morán Alonso "Maruxa", conseguindo fuxir Oliveros Fernández Armada "Negrín" e Victorino Nieto Rodríguez. A batalla de Chavaga O 20 de abril de 1949 efectivos da Guarda Civil das comandancias de Monforte de Lemos e Ponferrada preséntanse no lugar de Chavaga e do Repil coñecedores da presenza alí de voluntarios da II Agrupación. O combate rematará horas máis tarde coa morte do histórico dirixente Guillerme Morán García, de Evaristo González "O Roces", Xulián Acebo Alberca "O Gardiña", Gregorio Colmenero Fernández " O Porreto" e dos irmáns Ramón e María López Casanova. A acción dos confidentes e infiltrados resultou decisiva para rematar coa II Agrupación. O operativo represivo desenvolvido nas terras de Lemos polas forzas da orde foi resultado dunha infiltración. Segundo documentou Santiago Macías o factor chave neste operativo foi a información fornecida ao comandante Arricivita, máximo responsábel da loita contra o maquis na zona, por Xesús Costoia, parente dunha familia que acollía fuxidos, e que actuou como confidente das contrapartidas durante varios anos a cambio de diñeiro. O asasinato de Emilio Prada Rodríguez e Xulio Prada Fernández A represión que seguiu á caída de Chavaga afectou a ducias de persoas na comarca de Lemos. Abonda con lembrar a detención e encarceramento de Luísa e Oliva López Centeno, compañeiras de Guillerme Morán e Evaristo González, Fé Coutado Maseda, Xosefina Martínez Biel, ou as irmás Ofelia e Liberdade Amaro López, parellas de Xulián Acebo e Fermín Gutiérrez "Segura". Só o testemuño de Xesús Costoia, casado cunha irmá das Amaro López, levou a cadea a cinco cuñados e a súa sogra, que pasaría catro anos presa. O 13 de setembro de 1949, no marco deste operativo represivo, cinco efectivos da Guarda Civil aplicábanlle a lei de fugas a Emilio Prada Rodríguez e Xulio Prada Fernández. Segundo sinalou o mando á fronte do dispositivo, mentres desprazaban a catro detidos desde Chavaga a Monforte, déronse a fuga nun punto situado entre os lugares de Barxa de Lor e Salceda, deixando alí mortos a dous enlaces da guerrilla e conseguindo fuxir Filipe Vázquez e o propia Xesús Costoia, que non tardaría en establecerse en Ponferrada protexido polo aparato do estado. Xesús Costoia, un confidente a nómina do Estado As indagacións levadas a cabo en 1957, con motivo dunha orde de busca e captura contra Costoia, permitiron aclarar os termos da execución de Emilio e Xulio Prada. As declaracións de Costoia no xulgado de Lugo deixaron claro que a súa fuga e máis a de Filipe fora acordada previamente coa Guarda Civil, sendo coñecedor de que esta tiña previsto aplicarlle a lei de fugas a Emilio e Xulio Prada. A instrución aberta en Lugo é clarificadora dos procedementos empregados para derrotar a resistencia democrática. Así, nunha certificación achegada á causa polo xefe da comandancia da Guarda Civil de Lugo en relación coa conduta de Costoia, afirmase que " grazas as súas confidencias logrouse localiza e exterminar a partida de Evaristo González "O Roces", por cuxo servizo foi gratificado cunha importante cantidade en metálico pola Dirección Xeral do Corpo, conseguíndose como consecuencia da mencionada colaboración descubrir unha numerosa rede de enlaces e cómplices".
NOS_9065
Representa 19,1% do PIB. Cando en 2009 Feijoo chegou ao goberno da Xunta, esta estaba en torno ao 8,6% do produto interior bruto.
A débeda pública de Galiza aumentou en 1,4% no primeiro trimestre de 2018 a respecto do mesmo período de 2017 e xa está en 11.750 millóns de euros, o que é 540 millóns de euros máis que a finais de 2017. O endebedamento a respecto do Produto interior buto (PIB) é de 19,1%. Cando en 2009 Feijoo chegou ao goberno da Xunta, esta estaba en torno ao 8,6% do produto interior bruto. A débeda pública de Galiza é 1.000 millóns de euros superior a todo o orzamento da Xunta de Galiza para 2018. Eses orzamentos atinxen os 10.723,9 millóns de euros, 2,4% menos que no ano 2017. Cando en 2009 Núñez Feijóo chegou á Xunta esta débeda era de menos de 5 mil millóns de euros, 4.859. Nestes anos, pois, disparouse en perto de 7.000 millóns de euros e o seu peso a respecto do PIB aumentou en once puntos.
NOS_43672
A axenda autodeterminista en Europa xa ten unha data riscada en vermello no calendario. O referendo en Escocia, pactado por Londres e Edimburgo, será o 18 de Setembro de 2014. O SNP, partido que goberna con maioría absoluta, pide o voto a prol da independencia.
Setembro pode ser o mes dos referendos en Europa. O escocés xa ten data. 18 de Setembro de 2014. Xusto 7 días despois de que se celebre a Diada, o Día Nacional de Catalunya. Sectores independentistas catalás, basicamente ERC, desexarían que o referendo catalán fose precisamente esa xornada, polo seu forte carácter simbólico e por ese ano se cumprir o 300 aniversario da derrota catalá na Guerra de Sucesión. Escocia tamén leva 300 anos baixo dominio doutra nación, neste caso a inglesa. @s escoceses deberán responder un texto pactado por Londres e Edimburgo e que reza así: "Debería ser Escocia un país independente. Si ou Non". A data do referendo anunciouna o ministro principal de Escocia e líder do Scottish National Party, Alex Salmond. O Parlamento escocés, perante o cal Salmond presentou hoxe a lei que permitirá materializar o referendo, está a tramitar unha reforma da lei eleitoral visando rebaixar aos 16 anos a idade que outorga o dereito ao voto.
NOS_14241
Mobilizacións en case 30 localidades do país convocadas polo feminismo galego.Os fillos de Ana Belén Varela, a muller asasinada este domingo, participaron na concentración de Carballo.
Ana Belén Varela foi asasinada a tiros polo seu marido este domingo en Cabana de Bergantiños. A terceira muller asasinada no que vai de ano en Galiza a mans do seu compañeiro. Centos de mulleres saíron á rúa na tardiña desta terza feira no noso país para denunciar o crime. Case 30 concentracións e mobilizacións foron convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e o movemento feminista galego. Á concentración de Carballo asistiron os dous fillos de Ana Belén Varela que agradeceron persoalmente ás convocantes que celebraran este acto. "O machismo mata", "Contra a violencia machista", "Querémonos vivas e libres" ou "Autodefensa feminista" foron algúns dos lemas nas faixas e cartaces das mobilizacións. Denunciouse máis unha vez a violencia machista e patriarcal, para alén de exixir compromisos firmes por parte de administración e xustiza para rematar coa violencia contra a muller en todas as súas formas. Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Ferrol, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Betanzos, As Pontes, Ponteareas, A Guarda, Melide, Val Miñor, Redondela, Ponteceso, Viveiro, Monforte, Rianxo, Burela, Carballo ou Carballiño foron algunhas das cidades e vilas onde decorreron mobilizacións.
NOS_12721
Cun diferencial de +133 para as compostelás, un claro sinal de vantaxe sobre o resto de equipas.
O Estrela Vermelha , campión da Liga Galega de fútbol gaélico feminino, título que conquista por vez primeira na súa historia nesta categoría. Un título que acada após vender en todos os compromisos ligueiros ante equipas da talla das Herdeiras de Lalín, anteriores campioas, ou as Fillas de Breogán da Coruña, líderes en edicións anteriores. A tempada pasada as xogadoras do Estrela conseguiron o sub campionato de Liga, Copa e Ibérico. A clasificación coa que acaban de gañar a Liga indica un diferencial de +133 para as picheleiras, claro sinal de vantaxe sobre o resto. O Estrela Vermelha convértense na cuarta equipa en alzar o título de Liga feminina despois de Irmandinhas da Estrada, Fillas de Breogán da Coruña e as Herdeiras de Dhais de Lalín. O subcampionato aínda está por decidir, ficando un par de xornadas por disputar.
NOS_51005
O MpI decidiu poñer fin a 11 anos de existencia a iniciar unha nova xeira dirixida á construción dun novo partido independentista.
A Manca pro s'Indipendentzia acordou no seu V Congreso disolverse, poñendo o ramo a unha época que comezou en 2004 co nacemento desta organización da esquerda independentista sarda. A Dirección política nacional da MpI advirte, segundo recolle Nacións, que ninguén pode xa falar en nome da organización disolta nin empregar o seu nome ou símbolos. A partires de agora comezarase a traballar na construción dun partido independentista. O cabeza da candidatura da Manca nas últimas eleccións sardas, P. Devias, xa anunciou nunha entrevista que o nome desa nova formación sería Partido dos Traballadores Sardos. A MpI creouse en 2004 coa independencia de Sardeña e o socialismo como alicerces ideolóxicos e ao longo destes anos foi albo de varias operacións policiais. Consideraba esta illa mediterránea baixo soberanía italiana unha "colonia" de Roma e foi moi crítica co 'pacifismo' doutras organizacións independentistas.
PRAZA_19588
Un lobo mariño rescatado en decembro fronte a San Andrés de Teixido emprendeu este sábado viaxe, xa recuperado, cara augas do Gran Sol.
Este sábado, ao día seguinte da celebración do San Patricio, Luceiro, unha cría de lobo mariño cincento rescatada fronte a San Andrés de Teixido o pasado decembro, emprendeu viaxe cara ás costas de Irlanda e as augas do Gran Sol. A bordo do arrastreiro Ferreira Martínez, partiu do porto de Marín a primeira hora da mañá. Un lobo mariño rescatado en decembro fronte a San Andrés de Teixido emprendeu este sábado viaxe, xa recuperado, cara augas do Gran Sol "Pequeno, é pequeno, non zoupón; cualificalo de zoupón non sería xusto". Así avaliaban desde a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) as dificultades iniciais de Luceiro para saír da auga e subirse a unha superficie fora dela no seu centro de Nigrán, onde principiou a súa recuperación logo de quedar enganchado fronte a San Andrés de Teixido nos aparellos dun pesqueiro do que tomou o nome. Entre ese centro do Cemma en Nigrán e as instalacións do Instituto Galego de Estudos de Acuicultura (Igafa) na Illa de Arousa polas que pasou despois, Luceiro foi tratado das feridas na cabeza e nas aletas que presentaba cando foi recollido. Tamén se lle ensinou a comer e pescar por si só, a coller destreza para entrar e saír da auga e a gañar musculatura e peso ata os 33,5 quilos actuais. Ata que chegue ao seu destino nas augas de Irlanda, Luceiro contará a bordo do arrastreiro que o transportará cun depósito de auga salgada e comida suficiente para a viaxe.
PRAZA_3076
O campionato galego de caza terá lugar este sábado en Láncara e Triacastela, un dos lugares máis afectados pola explosión demográfica deste roeador, moi prexudicial para as colleitas e que ten no raposo un dos seus principais depredadores.
Este sábado 18 de xaneiro celebrarase, previsiblemente, o Campionato galego de caza do raposo, unha batida contra este animal autorizada pola Xunta, e que chega un ano máis envolta na polémica e nas denuncias de ecoloxistas e de animalistas. Xa a pasada fin de semana Moraña ou Dodro acolleron campionatos provinciais, baixo as críticas de colectivos de todo tipo, entre elas as relativas ao "secretismo" que rodea estes eventos.Triacastela, un dos lugares que acollerá o campionato, é un dos concellos máis afectados pola explosión demográfica da rata-toupa, do que o raposo é depredadorNo caso do campionato galego previsto para esta fin de semana, a entidade ecoloxista ADEGA fai fincapé en que Triacastela, un dos lugares que acollerá o seu desenvolvemento, é un dos concellos das serras orientais galegas máis afectados pola explosión demográfica da rata-toupa (Arvicola terrestris ou Arvicola sherman), unha praga que está a xerar importantes danos nos cultivos e prados de oito concellos da montaña lucense (Nogais, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela), incidindo xa nunha superficie superior a 1.600 hectáreas, en máis de tres mil parcelas. O raposo é un dos principais depredadores desta especie, autóctona pero que de cando en cando incrementa notablemente a súa poboación, provocando efectos negativos no medio.Neste senso, ADEGA lembra que o raposo cumpre en Galicia "un especial papel na prevención contra a expansión da enfermidade de Lyme". Nestas ratas-toupa hospédanse os carrachos infectados coa bacteria Borrelia burgdorferi, causante da doenza. "A eliminación indiscriminada de raposos repercutirá, inevitablemente, no aumento do risco de propagación da enfermidade de Lyme e, moi especialmente, naquelas zonas nas que se ten constatada unha expansión masiva da poboación da mesofauna, como é o caso do concello de Triacastela", sinala a entidade ecoloxista.ADEGA lembra que o raposo cumpre en Galicia "un especial papel na prevención contra a expansión da enfermidade de Lyme"Hai dous anos Xabier Vázquez Pumariño facía a mesma denuncia neste artigo publicado en Praza.gal, relacionado tamén coas batidas de raposos autorizadas pola Xunta. "Os raposos son xustamente un dos depredadores máis eficaces para manter en baixo nivel as poboacións de micromamíferos e polo tanto aos seus parasitos externos, as carrachas", sinalaba, concluíndo que "unha sociedade avanzada e prudente, simplemente por estes motivos (existen moitos máis) prohibiría matar raposos. Aquí non, logo mataremos moscas, ou carrachas, a canonazos".ADEGA reclama polo tanto a suspensión inmediata do campionato previsto para este sábado e pide que se rexeite de forma sistemática a autorización deste tipo de campionatos, "que xa están a ser motivo de discrepancias técnicas no seo interno da administración", sinala."Ao colectivo da caza entregóuselles o monte e campan por él coma se fosen os seus donos, son os que deciden que animais deben morrer e impoñen as súas falsas razóns para iso", di EquoA asociación ambientalista critica igualmente a "falta de transparencia" de Federación Galega de Caza e Xunta, que "seguen ocultando información sobre os lugares e datas nos que están previstos ou solicitados este tipo de campionatos de caza, incumprindo a obriga de publicitar adecuadamente estes eventos e advertir a cidadanía dos riscos que estes comportan".Así mesmo, Equo cualifica de "indecente" a "protección" e os "privilexios" concedidos pola Xunta de Galicia á Federación Galega de Caza. "Ao colectivo da caza entregóuselles o monte e campan por él coma se fosen os seus donos, son os que deciden que animais deben morrer e impoñen as súas falsas razóns para iso", denuncia a formación. Ademais, afirma que a Xunta "oculta á cidadanía as súas actividades opacas", advertindo de que esta é "unha actividade perigosa que pode poñer en risco, e fíxoó, a vida das persoas que van gozar dunha maneira saúdable da natureza".
NOS_42124
Entrevista na SER-Galiza con Xavier Vence. O portavoz nacional do BNG acha que Anova "ten dúbidas" a respeito da súa forma de concorrencia ás europeas.
"O noso proxecto é reforzar o nacionalismo en Galiza", afirmou o portavoz nacional do BNG nunha entrevista con Ser Galiza. Interpelado por Aida Pena a respeito das negociacións con Anova para iren ou non xuntos a Europa, o líder nacionalista dixo: "Anova, polo que vimos na reunión que tivemos con eles e polo que apareceu nos meios de comunicación, entendo que ten dúbidas [sobre a forma de concorrencia] e baralla a posibilidade de ir con forzas políticas estatais, que non desbota a posibilidade de ir con IU, nunha coligación liderada por IU". En que sentido irá despexar Anova as súas dúbidas? Vence agarda que o faga na dirección de "reforzar o nacionalismo de esquerdas e non unha forza política estatal". "Esperemos que basculen cara á este lado finalmente, aínda que esa decisión é deles, como non podía ser doutra maneira", dixo. Vence, en resposta a Yolanda Díaz: "Nós non pretendemos nen insultar nen demonizar a ninguén" Aida Pena demandou a Vence que valorase as recentes declaracións da líder de Esquerda Unida en Galiza, Yolanda Díaz, en que esta tildou de sectarias as posicións do BNG. "A coordenadora de IU en GZ deberia ser algo máis respeitosa coas demais forzas políticas. Nós non pretendemos nen insultar nen demonizar a ninguén. Cada forza ten lexitimamente as súas posicóns e debe defendelas con coherencia e solvencia", respondeu o dirixente do BNG. Non cre que a defensa da causa soberanista afasta o BNG da opinión maioritaria da sociedade galega, perguntou a xornalista ao portavoz nacional?. Vence expresou a este respeito a convicción que ten de que pór o acento na soberanía o que fai é "achegar o BNG á resolución dos problemas que ten este país". Exemplificouno coa situación que atravesan os sectores naval e financeiro, atacados por decisións que se adoptan fóra do noso país. Dixo que de termos soberanía o naval podería reactivarse e Galiza podería acabar tendo ferramentas crediticias próprias para financiar o desenvolvimento económico.
PRAZA_15716
Antes do comezo da sesión, tivo lugar un sorteo para escoller a tres asembleístas de entre os moitos que se ofreceron para intervir. A sorte determinou que sexan tres persoeiros de calidade fondamente galeguista e con coñecementos sobre a crítica situación na esquina porteña de Belgrano e Pasco. Trátase de Antonio Pérez Prado, Rodolfo Prada Chamocín e Xosé Neira Vilas.
A recente sesión da ACER foi trasmitida en direto pola Radio do Ceo xa que o coordinador de Comunicación, don Luís Seoane, considerou que un tema tan importante coma a quebra do Centro Galego de Bos Aires debe de ter a máxima difusión A recente sesión da ACER foi trasmitida en direto pola Radio do Ceo xa que o coordinador de Comunicación, don Luís Seoane, considerou que un tema tan importante coma a quebra do Centro Galego de Bos Aires debe de ter a máxima difusión. Non quere escoitar aos merendiñas de sempre coas queixas de que non foron informados. Antes do comezo da sesión, tivo lugar un sorteo para escoller a tres asembleístas de entre os moitos que se ofreceron para intervir. A sorte determinou que sexan tres persoeiros de calidade fondamente galeguista e con coñecementos sobre a crítica situación na esquina porteña de Belgrano e Pasco. Trátase de Antonio Pérez Prado, Rodolfo Prada Chamocín e Xosé Neira Vilas. Antonio: Semella que teño que falar e o certo é que fervía por facelo. Estou quente. Ben sabedes que a miña vida profesional foi no seo do Centro Galego. Aquel hospital foi a miña casa. Moitos anos tiven quendas dunha ducia de horas. Non me queixo. Fun moi feliz e aprendín moito sobre o estilo de vida dos emigrantes en Bos Aires. Non había alegría maior que falar con doentes orixinarios das terras lucenses de Parga. Atendín a moitos que coñecían aos meus avós e iso enchíame de orgullo. Eran tempos de crecemento nunha Arxentina que estoupaba de vitalidade. Estou moi desilusionado coa xeración que herdou o noso gran fogar de cultura e saúde. A sorte determinou que sexan tres persoeiros de calidade fondamente galeguista e con coñecementos sobre a crítica situación na esquina porteña de Belgrano e Pasco. Trátase de Antonio Pérez Prado, Rodolfo Prada Chamocín e Xosé Neira Vilas Rodolfo: A min dóeme no corazón. Ben me coñecedes, así que podedes supoñer o que levo sufrido desque renunciou o presidente Vello Pombo. Os dous pés fundamentais da miña vida foron a colaboración co irmán Castelao e o labor galeguista no glorioso Centro Galego. Houbo moitos presidentes, con máis ou menos sentimento galeguista, pero a nosa entidade mantívose firme no seu compromiso coa identidade propia. Aquel acolledor fogar emigrado prestaba servizos de calidade para beneficio dos socios. Xosé: Eu son o que menos sabe dos asuntos internos do Centro Galego. Aqueles meus marabillosos anos porteños [1949-1961] foron fondamente emotivos xa que foi onde escribín os primeiros artigos en galego e publiquei os primeiros versos (Dende Lonxe, 1960) e a primeira novela (Memorias dun neno labrego, 1961). A capital arxentina era o lugar do mundo onde se concentraban máis emigrantes. Ir ata o Centro Galego era unha festa. Alí foi onde o neno Balbino comprobou que os galegos riopratenses medraban tanto que podían tocar o ceo coas mans. Xosé: "A capital arxentina era o lugar do mundo onde se concentraban máis emigrantes. Ir ata o Centro Galego era unha festa. Alí foi onde o neno Balbino comprobou que os galegos riopratenses medraban tanto que podían tocar o ceo coas mans" Antonio: Moi certo, compañeiros. Tivemos o privilexio de vivir en galego fóra de Galicia. Había auténticos galeguistas cos que se podía falar de Franco, Perón ou de Leopoldo Marechal. Eran xente honrada. Non esquecían a orixe pero eran moi agradecidos cos anfitrións da República Arxentina. Non sei, quizais a quebra do Centro Galego teña máis relación coa perda de valores que coa política vixente en cada momento na Arxentina. Non teño autorización para impartir fundamentos de ética. Son médico. Só podo asinar un par de receitas que vaian ben para combatir os esquecementos interesados. Rodolfo: O asunto é complicado. Non é doada a administración dun hospital. Hai que ser moi coidadoso cos investimentos en equipamento. Recoméndase ir renovando pero sen endebedarse. Quero pensar que a culpa do afondimento son os tempos actuais nos que o sistema mutual está pasado de moda. Poida que non soubemos reducir o exceso e que agora non hai maneira de pagarlle o soldo a máis de 1400 empregados. Se 30 anos atrás se houbese optado pola concentración de especialidades médicas –con atención de calidade e a mellor teconoloxía--- quizais hoxe a entidade non estaría tan estragada. Xosé: O Centro Galego dos meus tempos era unha gran potencia. Movía máis cartos que moitas cidades de Galicia. Pensemos que 100.000 socios son moitos socios. Non había problema de cartos para edicións e actividades culturais. Poida que parte da responsabilidade sexa nosa xa que cando comezaron os problemas non houbo análise técnico imparcial para buscarlle algunha boa solución. Pediron axuda e a Xunta de Galicia achegou millóns de euros. O erro foi non fiscalizar onde ían parar as axudas. Case non houbo investimento e só serviron para ir tapando buratos. Antonio: "Agora pode ser tarde para atopar unha saída pero non hai máis cego que o que non quere ver. Quero dicir que houbo tempo de atallar a enfermidade. Os cartos da Xunta foron para aqueles monicreques empregados nunha Fundación que non cumpría ningún labor" Antonio: Agora pode ser tarde para atopar unha saída pero non hai máis cego que o que non quere ver. Quero dicir que houbo tempo de atallar a enfermidade. Os cartos da Xunta foron para aqueles monicreques empregados nunha Fundación que non cumpría ningún labor. Era o lugar de acollida para os recomendados do poder político que estivese de quenda en Galicia. Hai moitos anos que sobran empregados. Así o comentaban nas reunións das "Agrupacións Pro Centro Galego" pero seguían medrando. Foron baixando os ingresos e aumentando os gastos. A consecuencia foi o endebedamento. Rodolfo: Poida tamén ser axeitado o facer unha crítica dun gran erro que tivemos os directivos do noso tempo. Estou falando da recomendación do irmán Xesús Canabal de Montevideo cando propuxo a idea de separar xurídicamente o sector da Saúde do sector da Cultura. A maioría dos membros das Agrupacións estaban de acordo pero logo o tempo foi pasando e quedou sen tratarse nunha asemblea. Hoxe estaría intervido o hospital pero sen problemas no Instituto Arxentino de Cultura Galega que sería o titular da valiosa pinacoteca, do Teatro Castelao e do Panteón na Chacarita. Eu asumo a miña cota de responsabilidade e pido perdón aos asociados. Rodolfo: "Poida tamén ser axeitado o facer unha crítica dun gran erro que tivemos os directivos do noso tempo. Estou falando da recomendación do irmán Xesús Canabal de Montevideo cando propuxo a idea de separar xurídicamente o sector da Saúde do sector da Cultura" Xosé: Penso que os nosos descendentes non sinten a mesma paixón que os seus pais e avós. O cal é lóxico. Eles non cruzaron o mar. Son da opinión de que cumpren de abondo con seguir mantendo as nosas tradicións. Non esquezamos que aínda temos moita presenza na Arxentina con galegos e galegas en altos cargos no goberno e nas empresas e nas universidades. Non se lle pode pedir que a paixón da súa vida sexa a defensa da nosa cultura. Non podemos cargarlle toda a culpa. Algo fixemos mal. Antonio: Non teño definida a nosa parte de responsabilidade na quebra do Centro Galego. Hai familias que trasmitiron identidade e outras que non. Eu, medio anarquista e moi namoradizo desculpo a Aixa, a miña filla que vive nos Estados Unidos. Estou orgulloso dela xa que foi ata Parga para escoitar as voces dos avós. Outros herdeiros non saben cal é o nome castelán do carballo. Non lle podemos pedir nada se antes non sementamos. Os típicos porteños son xente de contrastes. Coido que resultado da maior presenza de calabreses e napolitanos. Os calabreses e os napolitanos son moi diferentes entre eles aínda que en Bos Aires todos sexan "tanos". Nós, en comparanza somos doutra galaxia. Así se explica que o novo goberno --presidido por un calabrés-- sexa inimigo do creativo esforzo dos emigrantes. Rodolfo: O que di Antonio sobre os "tanos" é moi interesante. Eu falei moito con Víctor Luis Molinari sobre a razón do seu namoramento galaico que o afastou do sangue itálico. Dicía que a culpable da nova paixón foi unha muller: Rosalía de Castro. Se falamos de variedades. Son dos Peares e non mamei a mesma cultura que un de Rianxo. Así é que os porteños leven dentro unha chea de sentimentos que viven en constante enfrontamento. Nas recentes eleccións levei unha forte decepción co meu partido, a UCR. Hai que ser suicida para ir de actor secundario nun reparto onde o cabeza de cartel non ten traxectoria histórica. A explicación está na perda da orixe. Esquecen a nobres persoeiros para ir detrás da merenda que poida compartir o candidato dun partido nacido no eido local. Unha trapallada que deixa na indefensión a millóns de cidadáns que non comungan con políticas que destrúen a convivencia facendo máis ricos aos que máis teñen. Xosé: "Se Balbino foi quen de facerse un home de proveito desde a súa pequena aldea, non dubido do compromiso das ducias de "Balbinos" que protexerán o valioso patrimonio suado polos seus devanceiros" Xosé: Non sei, amigos. Agora os cambios son de un día para outro. As novas tecnoloxías da comunicación fan líder a calquera monifate pero permiten tamén espazos para a crítica fóra do círculo dominante de medios de prensa lavadores de cerebros. Son optimista. Quero moito aos arxentinos e sei que teñen bo corazón. O problema témolo cando sae o ramallazo que os fai escoller a opción máis negativa para a maioría. Os nosos paisanos –a maioría votou ao novo presidente-- acabarán berrando contra do elixido e recoñecendo que se deixaron levar por unha marea que non levaba peixe, era só escuma. O Centro Galego de Bos Aires seguirá adiante xa que herdanza sentimental fortalecerá aos que agora están abatidos pola tristeza. Se Balbino foi quen de facerse un home de proveito desde a súa pequena aldea, non dubido do compromiso das ducias de "Balbinos" que protexerán o valioso patrimonio suado polos seus devanceiros.
PRAZA_15097
Hai hoxe dez anos o Prestige avanzaba, ferido e deitando toneladas de fuel, mar adentro. Ás oito da mañá do 19 de novembro de 2002 o buque fendeu, afundindo horas despois. O día seguinte Arsenio Fernández de Mesa declaraba que "o destino do fuel no fondo do mar é converterse en adoquín".
Hai hoxe dez anos o Prestige avanzaba, ferido e deitando toneladas de fuel, mar adentro. Ás oito da mañá do 19 de novembro de 2002 o buque fendeu, afundindo horas despois. O día seguinte Arsenio Fernández de Mesa declaraba que "o destino do fuel no fondo do mar é converterse en adoquín". Foron moitas as declaracións dos representantes políticos que pasaron á historia, ben polo seu carácter pouco axeitado para ser pronunciadas por un cargo público ou ben por ocultar información e conter falsidades despois demostradas. Dende que xa o 14 de novembro López Veiga decretara que "Hay que sacar ese barco de ahí de una puta vez", o que se fixo sen ter en conta a opinión dos expertos nin tan sequera solicitar informes técnicos. Ese mesmo día Arsenio Fernández de Mesa comezaba a minimizar o alcance do desastre: "Sale muy poquito combustible, un reguerito de fuel que se apaga y vuelve a salir en forma de bola, un manchón...". Ou a famosa conversa entre o ministerio de Fomento e a Subdelegación do Goberno en Galicia: "Como siga así, este llega a Groenlandia" "Bueno, pues que llegue allá". O 16 de novembro o barco leva dous días sendo paseado de norte a sur da costa galega, estendendo a mancha de fuel. Aínda que o remolcador Ría de Vigo advirte de que "esto se parte en cualquier momento", Fernández de Mesa insiste en que "el problema ha entrado en vías de solución" e López Veiga atrévese a afirmar que "estuvo a punto de provocarse un nuevo Erika, pero se ha evitado". Arias Cañete, ministro de Agricultura e Pesca, declara que "La rápida actuación de las autoridades españolas ha evitado una verdadera catástrofe pesquera y ecológica". O 17 de novembro de novo López Veiga tenta convencer a todo o mundo de que "no se trata de una marea negra, sólo de un vertido de fuel". É neste día cando Federico Trillo e Paco Vázquez suxiren que avións do exército bombardeen o barco. O 18 de novembro a Xunta tranquiliza a todos os futuros afectados pola catástrofe que levaban dias negando. López Veiga declara que "Aquí ninguén quedará sen o turrón" e anuncia que "La Xunta va a dar a las 4.000 familias afectadas el turrón y si luego puede venir el mazapán por parte del Gobierno central y de la UE, mejor". O 19 de novembro consúmase o desastre. Ás oito da mañá o petroleiro fende pola metade e as dúas partes afunden completamente ao cabo dunhas horas: a popa faino sobre as 11.45 horas da mañá e a proa ás 16.18 horas. En 5 días percorreu 243 millas (437 km) fronte as costas galegas e nese momento, o barco estaba a 130 millas da costa de Fisterra, á altura das Illas Cíes, e a marea negra xa afectaba 300 km de costa. Pero Arsenio Fernández de Mesa calculaba "a ojo de buen cubero" que o Prestige vertera 3.000 ou 4.000 toneladas e tranquilizaba a todos porque "o destino do fuel no fondo do mar é converterse en adoquín".
NOS_5446
Manuel Lourenzo, portavoz de Educación, pregúntase se é a maneira que ten o Goberno de Feixóo de agradecerlle ao profesorado o esforzo na pandemia.
O BNG denuncia a "avalancha" de recortes en educaciónpara o curso 2021 / 2022, unhas reducións que levará ao Hórreo. Manuel Lourenzo, portavoz parlamentar de Educación no Hórreo, explica que "tras 16 meses de pandemia que obrigou a un sobre esforzo a toda a comunidade educativa, a resposta do Executivo de Feixóo e un curso 2021-2022 con menos persoal nas aulas, en particular nos centros de secundaria, a través dunha redución sen precedentes que mesmo vai impedir en moitos casos que se poidan cumprir os protocolos COVID decretados pola Xunta". Lourenzo advirte que o recorte de efectivos "deixa aos institutos nunha situación límite, de tal xeito que moitos centros educativos non van ter capacidade de cumprir os protocolos impostos pola Xunta "Estamos ante unha avalancha de recortes que o Goberno do PP está aplicando en todos os niveis do ensino público, especialmente grave no nivel de educación secundaria con 435 docentes menos en relación ao pasado curso escolar, un recorte sen precedentes", denuncia o parlamentario. O deputado explica que a cifra de profesorado nos institutos baixa mesmo se se compara cos datos anteriores á pandemia, en concreto, o recorte implica 189 docentes menos."E estes datos, provisionais recollidos nun estudo da CIG, sindicato maioritario no sector, aínda poden ser superados por cifras peores unha vez que se faga efectivo a adxudicación de destinos", matiza. Neste contexto, Lourenzo advirte que o recorte de efectivos "deixa aos institutos nunha situación límite, de tal xeito que moitos centros educativos non van ter capacidade de cumprir os protocolos impostos pola Xunta, e todo isto nun momento en que, debido aos cambios e condicionantes impostos pola pandemia, é máis necesario que nunca reforzar o ensino público. Por contra, o Goberno de Feixóo "vai en dirección contraria e, xusto no momento en que máis reforzos se precisan, o que temos por parte da Xunta é un recorte de profesorado sen precedentes". Lourenzo tamén se pregunta "se está é a forma que ten o PP de agradecer todo o esforzo realizado polo persoal educativo ao longo de 16 meses de pandemia", e avanza que o BNG vai levar este asunto ao Parlamento, "porque o que se necesita non son recortes senón reforzar o ensino público", conclúe.
NOS_273
A última proposta de Junts foi enviada onte á noite.
Junts non reclamará a restitución de Jordi Puigneró como vicepresidente da Generalitat nas negociacións co presidente, Pere Aragonès, para reconducir a crise de goberno. [VÍDEO] Junts dá dous días a Aragonès para rectificar o cese do vicepresidente do Govern, Jordi Puigneró Segundo explicou nunha entrevista en Catalunya Ràdio a presidenta da formación soberanista, Laura Borràs, a última proposta enviada xa non inclúe esta petición. "O propio Puigneró pediunos que non quería ser ningún obstáculo na posible negociación", dixo. El mesmo o confirmou nunha entrevista en RAC1. A última proposta de Junts foi enviada onte á noite, despois dunha reunión entre Aragonès e o secretario xeral do partido, Jordi Turull. Na súa entrevista, Borràs volveu negar que pór sobre a mesa a posibilidade unha cuestión de confianza sexa unha deslealdade. "Non é desleal conseguir votos que che fan presidente e ir en dirección contraria?", preguntou. Actos e mobilizacións lembran en Catalunya o quinto aniversario do 1 de Outubro Esta mañá a executiva de Junts reunirase coas novidades sobre a negociación e, posteriormente, decidirase a pregunta da consulta á militancia, que decorrerá os días 6 e 7 de outubro. O partido xa convocou unha conferencia de prensa na que a anunciará, aínda que non determinou a hora porque a executiva podería estenderse no tempo. División no Govern A decisión de Pere Aragonès de cesar o vicepresidente Jordi Puigneró, ao entender como "deslealdade" que este non non lle comunicase a intención de Junts de presentar unha moción de confianza, motivou a división do Govern. O Govern catalán, nunha situación límite Os dous partidos que dirixen en coalición Catalunya, ERC e Junts, levan varios días negociando para evitar a ruptura definitiva do acordo de goberno. Durante o debate de política xeral da pasada semana, o presidente de Generalitat manifestou que "se alguén tiver que tomar decisións, que as tome", nunha alusión indirecta ao debate no seo de Junts sobre a posibilidade de saír do Goberno por desacordos sobre que pasos dar no proceso independentista.
NOS_21214
O narcotraficante que nos anos '90 mantivo unha amizade con Núñez Feijóo acreditada nunha polémicas imaxes filtradas pola imprensa foi imputado pola Audiencia Nacional española pola creación dun entramado dirixido a ocultar os beneficios que tiraba das drogas
Marcial Dorado, o narcotraficante da Arousa que acompaña ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nas polémicas fotografías a bordo dunha embarcación propiedade do narco, enfróntase a outros 15 anos de prisión e 42 millóns en multas polos delitos de branqueo de capitais, revelación de segredos e contra Facenda pola creación dun entramado dirixido a ocultar os beneficios que tiraba das drogas e que lle descubriron en 2006. O xuíz da Audiencia Nacional Javier Gómez Bermúdez vén de abrir máis un procedemento na súa contra polos delitos antes sinalados e de acordo cun escrito de acusación presentado pola fiscalía en que esta considera que "coa finalidade de branquear grandes cantidades de diñeiro procedente do tráfico ilícito de estupefacientes" creo un entramado societario para poder poñer en circulación os beneficios desta actividade. As empresas estaban radicadas no Estado español mais tamén en Portugal, Liechtenstein ou Marrocos e con off shore en Belice, Panamá e as Illas Virxes. Os catos depositábanse nunha conta en suiza a nome das off shore e desde alí enviábase ás empresas. Entre as 15 persoas imputadas están tres fill@s do narco --María, Lidia e Marcial Dorado-- a súa actual parella --Otilia Ramos-- e a anterior --María Fariña. Dorado fica imputado en calidade de xefe desta organización para branquear ca
PRAZA_10376
Socialistas e nacionalistas chegan ás investiduras de Lara Méndez e Miguel Anxo Fernández Lores coas liñas xerais dos seus pactos de goberno xa asinadas. Rubén Arroxo e Tino Fernández ostentarán as Tenencias de Alcaldía nos novos gabinetes
PSdeG e BNG chegan ás sesións de constitución das novas corporacións municipais con pactos pechados para gobernaren en coalición dúas cidades galegas. Alén das negociacións mantidas polas Executivas nacionais de ambas formacións, as conversas en Lugo e Pontevedra foron rápidas e sen excesivos sobresaltos. Tanto o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores como a socialista Lara Méndez non só contan cos votos a prol do correspondente socio na investidura, senón que teñen tamén definida a estrutura de cadanseus novos gabinetes e as liñas políticas que guiarán o programa de goberno.Lugo: máis políticas de "benestar", peonalizacións e derruba do GarañónO acordo asinado por socialistas e nacionalistas en Lugo implica que o voceiro do Bloque, Rubén Arroxo, ostente a tenencia da alcaldía no goberno encabezado pola socialista Lara Méndez, que terá trece concellerías, tantas como edís suman ambas forzas. O PSdeG xestionará ás áreas de Economía, Desenvolvemento Local, Persoal, Urbanismo, Medio Ambiente, Deportes, Medio Rural e Mocidade e ao Bloque corresponderanlle Infraestruturas, Mobilidade, Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e Educación e Cidadanía.A Ronda da Muralla é un dos focos de intervención para as novas peonalizacións, segundo o acordo de gobernoO documento de "liñas de acción do goberno" inclúe premisas como "avanzar" nas políticas de "benestar" ou desenvolver novos proxectos de mobilidade e peonalizacións coa Ronda da Muralla como un dos focos de intervención. No ámbito urbanístico, no que o acordo reserva liberdade de voto ao Bloque, o acordo contempla "artellar o procedemento necesario para derrubar o Garañón" e que haxa no seu lugar unha "zona verde". Esixir á Xunta infraestruturas pendentes en barrios como os da Residencia e do Sagrado Corazón, implantar a Administración electrónica ou colaborar coa industria forestal do municipio figuran tamén no pacto de goberno.Pontevedra: estender o modelo urbano e mantemento da oposición a ENCEEn Pontevedra o goberno encabezado por Miguel Anxo Fernández Lores estará conformado polos 11 integrantes do grupo do BNG e os 4 obtidos polos socialistas. Tino Fernández, voceiro do PSdeG, será tenente da Alcaldía e concelleiro de Educación, Deportes, Actividade Física e Saúde. O Bloque xestionará a portavocía do goberno e as concellarías de Promoción da Cidade, Espazos Públicos, Obras, Ordenación do Territorio, Patrimonio Municipal, Economía e Facenda, Persoal, Xuventude e Urbanismo e o resto de edís do PSdeG poranse á fronte de Benestar, Desenvolvemento Sostible e Promoción Económica.O pacto de goberno contempla que o novo contrato do lixo aposte pola compostaxeNo que atinxe aos "obxectivos programáticos" da coalición, o acordo de goberno contempla "estender o modelo urbano" de Pontevedra ás parroquias da cidade e mantén, como liña política, a "oposición frontal á permanencia de ENCE na marisma de Lourizán". Potenciar medidas de benestar social, unha nova ordenanza de mobilidade, implantación de carrís bici ou un novo contrato de recollida do lixo que potencie a compostaxe son outras das medidas que explicita o acordo, que tamén prevé continuar os plans de "promoción exterior da cidade" e de acollida de grandes eventos deportivos na liña do mandato previo.
NOS_1575
O gabinete de crise constituído en Bélxica a raíz das supostas informacións dos servizos de intelixencia do país sobre un inminente atentado do jihadismo decidiu na tarde do domingo manter o máximo nivel de alerta en Bruxelas e manter fechados os centros de ensino de todos os niveis.
O Goberno belga acordou manter o nivel 4 de alarma, o máximo, e manter fechada a rede de metro, así como os centros de ensino logo das presuntas informacións que lle fornecerían os servizos de intelixencia sobre un atentado "serio e inminente". Esta medida, adoptada desde a mañá do sábado, mantén paralizada a capital comunitaria, onde se suspenderon concertos, eventos deportivos e todo acto que implicase unha gran concentración de xente. Ás persoas que habitan en Bruxelas aconséllaselles que non acudan a grandes centros comerciais, discotecas ou estacións de transporte público. Na tarde do domingo, a canle RTL deu conta dunha operación policial perto da Grande Place de Bruxelas, onde, segundo este medio de comunicación, os axentes alertarían os veciños e veciñas para que non se achegasen ás fiestras nin aos balcóns. París extrema a seguridade Pola outra banda, París segue blindada polas forzas de seguridade tras os atentados do día 13 de novembro. Baixo a xustificación dun posíbel ataque, a policía informou esta tarde a través de Twitter que acometerá novas medidas que restrinxirán as liberdades, cando menos, desde o 23 ao 29 deste mes. Así, a policía informa de que non se poderá aparcar nas proximidades dos colexios, da prohibición de realizar excursións escolares, do desenvolvemento de simulacros, da identificación de sistemática da identidade das persoas estranxeiras ou o control visual das mochilas. A policía tamén insta a cidadanía a denunciar todo comportamento ou obxecto sospeitoso.
NOS_3724
O número de altas ascende a 333 e hai 165 persoas con COVD-19 en UCIs. Aos 138 falecementos contabilizados polo Sergas hai que engadir o das 21 persoas usuarias falecidas nas residencias de maiores.
O número de casos de coronavirus en Galiza ascende a 4.379 (321 máis que onte), dos cales 954 son da área da Coruña, 520 da de Lugo, 660 da de Ourense, 393 da de Pontevedra, 1.018 da área de Vigo, 591 da de Santiago, e 243 da de Ferrol. Son os dados actualizados que ofreceu na mañá desta quinta feira a a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Do total de pacientes positivos, 165 permanecen en UCI, 819 están en unidades de hospitalización e 3.395 no domicilio. Polo de agora, na Galiza rexistráronse 333 altas de pacientes e 138 falecementos. A estes 138 falecementos hai que engadir as 21 persoas usuarias nas residencias de maiores e padecían coronavirus que morreron dentro destes centros, un dato que as cifras oficiais do Sergas non computan. Así pois, as vítimas mortais totais son xa 159.. O Servizo Galego de Saúde rexistra a morte de todas as persoas diagnosticadas de COVID-19 que falecen nos hospitais galegos, mais non as que se producen nas residencias de maiores, que esta quinta feira contan con 427 usuarias afectadas. O número de PCR realizadas é de 21.360. Galiza ten a taxa de letalide máis baixa de todos os territorios do Estado español, con 2,32% respecto da media do Estado que é dun 8,86 %. A taxa de letalidade reflicte a porcentaxe de falecidos respecto dos contaxiados. No conxunto do Estado español o número de vítimas mortais superou as 10.000 e a de persoas contaxiadas, as 110.000.
NOS_52632
Este sábado 23 de setembro o BNG apresentará en Compostela as súas Bases Democráticas para unha Nova Galiza. Unha iniciativa que tenciona abalar os decrépitos alicerces dun edificio -o do réxime de 1978- que está a desabar, a caír, incapaz de procesar as demandas democráticas dos pobos, con Catalunya á vangarda. Falamos sobre estas Bases con Néstor Rego, membro da Executiva do BNG. É a entrevista política do Sermos264. EIs un avanzo da conversa.
-Que son as Bases Democráticas e que perseguen? -As Bases Democráticas son a proposta que neste momento lanza o BNG para deixar atrás definitivamente o marco constitucional e o marco autonómico. Podemos concluír que as Bases Democráticas son as bases para a nosa soberanía. Entendemos, como sempre entendimos, que o modelo autonómico non serve. Despois de 40 anos, podemos constatar que Galiza non mellorou, non o fixo comparativamente cos países da súa contorna. É un modelo que non serve para solucionar os nosos problemas económicos e sociais; todo o contrario, moitos deles agraváronse. Hoxe temos un país en moitos aspectos moito pior do que tiñamos hai anos: cunha crise demográfica brutal, con novamente emigración, con algúns sectores económicos importantes destruídos. Portanto, xa non é unha cuestión que atinxe aquelas persoas que consideramos que Galiza é unha nación e que debe aspirar a se autodeterminar, senón que constitúe unha necesidade vital para garantirmos que Galiza como país tamén sobrevive e ten un futuro diferente de progreso e de benestar. -As Bases, xa na súa propia nomenclatura, evocan aquelas Bases Constitucionais de 1977. Anímaas o mesmo espírito de ruptura? -Si que as anima o mesmo espírito de ruptura, esa idea de que a nación galega pode ser outra cousa, de que ten capacidade para se valer por si propia. Hai entre aquel momento e este algúns aspectos do contexto político que poden parecer similares, hai outros que son moi diferentes. E tamén na proposta. As Bases Constitucionais eran un texto articulado para un pacto federal ou confederal. Neste caso o que facemos non é unha proposta articulada, senón un conxunto de medidas, 33 pontos, que focan a atención na necesidade de que Galiza teña capacidade real de decisión sobre os seus asuntos. Porque nos parece que ese é o debate que ten que dar a sociedade galega. [A íntegra da entrevista, unha dupla páxina, aparece no Sermos264, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]
NOS_38690
O acordo entre os Estados español e marroquí fai que se reactiven as deportacións de migrantes a Marrocos. Este acordo, que supón o apoio a Marrocos no referente a autonomía do Sahara Occidental, foi criticado polas forzas que fixeron posíbel a investidura de Pedro Sánchez. As tensións xeopolíticas con Alxeria poderían ser a fonte do cambio de postura do Goberno español. A Polisario ameaza con levar a Sánchez á Corte Penal Internacional.
O Goberno español retomará as devolucións de migrantes a Marrocos. Así, as repatriacións, suspendidas polo país africano hai un ano, volverán reactivarse. Rabat xa aceptou que cheguen catro voos semanais con 20 migrantes a bordo en cada un. A noticia chega após na fin de semana coñecerse o xiro de postura sobre o Sahara do presidente español, Pedro Sánchez, que agora apoia Marrocos no referente á autonomía do Sahara Occidental. Comparecencia na Cámara A portavoz do Executivo estatal, Isabel Rodríguez, asegurou onte que Pedro Sánchez levará a cabo unha comparecencia o vindeiro 30 de marzo no Congreso para explicar "o novo marco de relacións con Marrocos". Rodríguez, ademais, xustificou non explicar o cambio de posición do Goberno de España en que a diplomacia require de "tempos e discreción". PNV e PP pediron cambiar a orde do día do Pleno para que Sánchez dera explicacións ao respecto, pero o PSOE negouse e non foi posíbel. Por outra parte, os grupos parlamentarios que posibilitaron a investidura de Sánchez censuraron onte o cambio de postura do Executivo con respecto ao Sahara. As tensións xeopolíticas con Alxeria poderían ser a fonte do cambio de postura do xefe do Goberno español. Segundo indicou na fin de semana Radio France Internationale Alxeria rexeitou a proposta estadounidense de aumentar a subministración de gas a Europa a través do gasoduto Magreb-Europa, fechado desde decembro de 2021. Un feito ao que o Estado español podería ter respondido co acordo con bilateral con Marrocos. O Polisario estuda denunciar a Sánchez O avogado do Fronte Polisario, Gilles Devers, avisou de que a postura de Sánchez podería custarlle ao líder español un proceso xudicial ante a Corte Penal Internacional por ser "cómplice de crimes de guerra".
NOS_37046
O Concello anunciou xa hai uns días que tiña previsto tomar esta decisión. Xa en 2016 cualificou a Mariano Raxoi da mesma forma por aumentar a concesión da polémica factoría outros 60 anos. O BNG acusou a Ignacio de Colmenares de "dirixir e permitir" o asalto dun pequeno grupo de traballadores á Casa Consistorial, episodio polo que o alcalde dixo sentir medo pola súa integridade.
O pleno da cidade de Pontevedra conseguiu facer posíbel o anuncio que xa fixera hai uns días: declarar "persoa non grata" ao conselleiro delegado e presidente da celulosa Ence, Ignacio Colmenares y Brunet. A decisión tomouse malia os votos en contra do grupo municipal do Partido Popular e o concelleiro Goyo Revenga (ex de Ciudadanos e agora edil non adscrito).Foron o BNG e o PSdeG os que sacaron adiante a proposta, despois de considerar que Colmenares auspiciou a entrada dun grupo de traballadores no Consistorio hai uns días. Estes intentaron agredir ao rexedor, Miguel Anxo Fernández Lores, que afirmou que sentira "medo" pola súa integridade.No decorrer da sesión, o edil nacionalista César Mosquera apuntou ao conselleiro delegado como "director" do "escrache violento" sufrido polo rexedor e varios membros do seu goberno municipal o pasado 11 de marzo. Así destacou que houbo un "risco real", dando a entender que o temor de Lores foi xustificado. Mosquera cualificou a acción como "Ence borroka" e lamentou que se pasaran "todas as liñas vermellas" ao ter que saír os representantes municipais escoltados pola Policía Local. A maiores, o representante do Bloque comentou que Colmenares mandou unha carta ao alcalde amosando o seu desacordo co título de "persoa non grata por un vídeo sacado de contexto". No documento audiovisual ao que se referiu, o responsábel de Ence advertía que a factoría situada en Lourizán podería dar "un susto maiúsculo ambiental en calquera momento, que pode afectar, ademais, ás persoas" pola falta de investimentos. Na súa quenda de palabra, o tenente de alcalde e concelleiro do PSdeG Tino Fernández criticou que a compañía elixise "recrudecer a súa estratexia para influír na opinión pública contando coa conivencia do PP, que asume as teses da empresa como dogmas de fe". Tamén foi moi crítico co papel do sindicato Comisións Obreiras. O Partido Popular tamén foi acusado do asalto deste mes, pero o seu portavoz en Pontevedra, Rafa Domínguez, aproveitou o pleno para desvincularse do sucedido, que dixo ver como "inaceptábel". Mesmo afeou que se culpase aos populares de instigar os incidentes "sen probas". En calquera caso, o voto foi contrario a que Colmenares seguira a mesma sorte que Mariano Raxoi, que xa fora declarado "persoa non grata" en 2016, após ampliar a concesión de Ence na ría. No pleno tamén saíu adiante outra moción do goberno local instando á empresa Ence, á Xunta e ao Estado a "traballar de maneira conxunta para o traslado da factoría da ría, única forma de garantir a súa viabilidade e o mantemento dos postos de traballo".
NOS_36080
Escribimos sobre as reivindicacións do Primeiro de Maio no 244 de Sermos Galiza.
A CIG enmarca este 1 de Maio na campaña que puxo en andamento a finais de 2016 pola recuperación dos dereitos laborais e sociais coa finalidade de lograr unha derrogación das medidas lesivas para a maioría social. É unha campaña para recuperar o que nos quitaron nestes anos de crise, para derrogar todas as medidas que propiciaron iso. Mais esas políticas non se deron só nestes anos de PP, tamén houbo medidas adoptadas con anterioridade, como a reforma laboral de Zapatero, que atacaban as conquistas logradas polos traballadores. Así pois, o que pretendemos é reverter esas actuacións que levaron a atacar as pensións públicas, a reducir salarios, a recortar coberturas sociais; medidas que propiciaron ademais que aumentasen a pobreza e o traballo precario e temporal. O PP perdeu a maioría absoluta e iso abre unha porta... O Partido Popular non ten maioría absoluta no Congreso e faise dificilmente entendíbel como é que todas as reformas que impulsaron nestes anos non se derrogan. Por iso é necesaria a mobilización social, formular a necesidade de ir a máis nesta dinámica de resposta social, mesmo chegando a unha convocatoria de folga xeral. Non debemos perder de vista, ademais, que no ámbito galego seguen a engadirse medidas lesivas e prexudiciais para crear emprego no país, para evitar que a xente teña que emigrar, que eviten a desertización industrial... Falas da posibilidade dunha folga xeral. Credes que teriades apoio doutros axentes sindicais? Nós vemos que CCOO e UXT están facilitando a aplicación das políticas deste goberno, sumidos ambos os dous no diálogo social e na negociación entre bambalinas coa patronal. Independentemente do que consideren eles, nós entendemos que hai que dar unha resposta social a estas políticas. Nós non falamos dunha folga xeral por falar, nin por un alarde de radicalidade, senón porque a situación obriga. Se na dinámica parlamentar non son quen, agora que o PP non ten maioría, de botar abaixo todas esas agresións á clase traballadora, teremos que conseguilo coa mobilización social. Lugares e horarios das distintas mobilizacións da CIG. -Vigo: no cruce da Dobrada ás 12:00 horas. -Cangas: na Praza do Concello ás 19:00 horas. -Coruña: na Praza de Vigo ás 12:00 horas. -Cee: na Praza do Concello ás 12:30 horas. -Compostela: na Praza Roxa ás 12:30 horas. -Ribeira: na Praza do Peixe ás 12:00 horas. -Ferrol: na Avenida de Esteiro (local da CIG) ás 12:00 horas. -Lugo: na Ronda da Muralla (edificio sindical) ás 12:00 horas. [Podes ler a entrevista íntegra e mais a reportaxe sobre o 1 de Maio no número 243 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]
NOS_9376
Mohamed Mursi, candidato do Partido Liberdade e Xustiza (PLX), da Irmandade Musulmá, ás eleccións presidenciais de Exipto, anunciou que exercerá de presidente de "tod@s" @s exipci@s. Ahmed Shafiq, dende a oposición, revírase contra estas declaracións. Os resultados coñeceranse o xoves.
Este domingo foi a segunda volta das primeiras eleccións libres na historia de Exipto, 16 meses despois de que a revolución de Tahrir derrocase o ditador Hosni Mubarak, no que se considerou un dos grandes triunfos da chamada Primavera Árabe, e a islamista Irmandade Musulmá, cun 90% dos votos escrutados, elucubraba xa gañar co 52,5% dos votos fronte ao seu rival, o ex primeiro ministro Ahmed Shafiq (que levaría o 47,5%). Pola contra, o voceiro do ex primeiro ministro interveu na cadea privada ONTV para rexeitar estas declaracións, que considera "absurdas" e parte dunha estratexia de "manipulación mediática". Mahmoud Baraka, responsábel de prensa, afirma que Irmáns Musulmáns violou as leis electorais ao "secuestrar" os resultados, e asegurou que Shafiq lidera o reconto de votos co 52%. Con todo, considera que é a Comisión das Eleccións Presidenciais o único organismo autorizado para publicar os resultados. Estes daranse a coñecer o xoves. Mursi deulle grazas a Deus "por guiar ao pobo exipcio cara ao camiño correcto, o camiño da liberdade e a democracia", nunha conferencia de prensa na sede do PLX no Cairo. O islamista lanzou mensaxes conciliadoras, anunciando que reconstruirá o Estado de Dereito, "moderno, democrático e civil cunha Constitución", segundo informa a cadea Al Yazira. Por outra parte, a xunta militar emitiu onte un texto constitucional complementario, polo que serán os xenerais quen outorguen o poder lexislativo até novas eleccións parlamentarias, e quen redacte a Carta Magna, ademais de controlar o orzamento e a carteira de Defensa. Esta nova declaración constitucional é considerada un verdadeiro golpe de estado pola oposición, e a Irmandade considera que ispe de poderes ao novo presidente.
NOS_32089
O Estado español mantén o suspense até o día 29 sobre as medidas que vai tomar para conter a crise derivada do conflito en Ucraína, mentres países como Francia, Italia, Portugal ou Alemaña xa anticiparon e mesmo comezaron a aplicar as súas.
O Goberno español está disposto a actuar sobre o mercado enerxético estatal, pero agardará até o día 29 de marzo para comunicar o seu plan, que non se limita unicamente a medidas fiscais. Como explicou o presidente Pedro Sánchez esta semana, a idea é actuar sobre o funcionamento do mercado enerxético. Nesta liña, insistiu en desvincular o prezo do gas do da electricidade a nivel europeo en lugar de tocar os impostos, dos que, dixo, "pouca marxe teñen os Estados para compensar e facer un reparto equitativo das consecuencias económicas da guerra". Mais esta afirmación quedou en evidencia despois de que outros Estados membro da Unión Europea anunciaran medidas nese ámbito. Italia, por exemplo, acordou onte rebaixar os impostos especiais que gravan a gasolina e o gasóleo, reducindo o prezo do litro de combustíbel en polo menos 15 céntimos. Xunto a estas medidas, o Executivo de Mario Draghi, avanzara o pasado 9 de marzo un plan de 16.000 millóns de euros para soster familias e empresas por mor do incremento da factura enerxética que contemplaba, entre outras medidas, a eliminación dos cargos do sistema para as persoas usuarias domésticas de electricidade e as empresas, e a redución do IVE a 5% para as de gas. No caso das empresas electrointensivas o plan inclúe ademais un crédito fiscal equivalente a 20% do aumento no custo da enerxía no primeiro trimestre do ano. Resto de territorios En Francia, o Goberno presentou na cuarta feira un plan de 7.000 millóns para familias e empresas que inclúe unha rebaixa de 15 céntimos o litro de gas, gasolina e gasoil que se financiará cos ingresos do IVE. En canto á enerxía, as empresas nas que a factura da luz represente máis de 3% da súa facturación terán axudas especiais. Ademais, ofrece a partir de abril 1.ooo euros para mudar as caldeiras de gas e subvencións de 15% a 35% para os sectores máis dependentes das materias primas procedentes de Rusia. A pesca e a agricultura, pola súa parte terán axudas especiais, equivalentes, de media, a unha redución de 35 céntimos por litro de combustíbel consumido. Alemaña, pola vía do incremento de débeda, comprometeu 100.000 millóns de euros a paliar os efectos económicos da guerra, mentres que para corrixir o impacto da suba dos prezos da enerxía acordou unha dedución na Renda de 38 céntimos por quilómetro ás persoas que teñan que percorrer máis de 21 quilómetros para ir traballar, unha medida á que se podería sumar unha bonificación de entre 30 e 40 céntimos por litro para evitar que os carburantes superen a barreira dos 2 euros. En Portugal, o Goberno habilitou liñas de crédito para o sector agrícola e rebaixou de 23% a 13% o IVE dos primeiros 100 kw/h de luz consumidos ao mes. Bélxica reduciu a 6% o IVE da electricidade e gas; baixou os prezos dos carburantes 17,5 céntimos o litro e deu axudas de 100 euros para as familias máis desfavorecidas, mentres que Polonia rebaixou a 8% o IVE dos combustíbeis e a 0% o do gas. Pola súa parte, Irlanda abaratou até setembro a gasolina en 20 céntimos, en 15 o do diésel e 2 céntimos o do diésel verde. Calendario fiscal Os grupos da oposición, o BNG entre eles, afeáronlle ao presidente do Goberno español que agarde até o día 29 para anunciar o paquete de medidas fronte a escalada dos prezos da enerxía. Porén, esta decisión podería responder a unha cuestión administrativa, pois o 31 de marzo dáse por fechado o primeiro trimestre fiscal e unha alteración de impostos podería afectar as liquidacións. Ademais, con esta demora, o Estado logra recadar máis nese tempo para financiar despois estas medidas sen recorrer á débeda pública. En Francia tamén fixeron así. As medidas, que ao contrario que no Estado español xa foron anunciadas, non entrarán en vigor até o 1 de abril, data máis que probábel para que xurdan efecto os cambios no funcionamento do mercado enerxético e o seu réxime fiscal en España.
NOS_15352
Esa é a cifra de persoas que, segundo a enquisa estrutural a fogares galegos, se ubica entre o 0 e o 4 ante a pregunta do seu nivel de satisfacción, sendo 0 nada satisfeito e 10 plenamente satisfeito. Idade, estudos, ingresos, sexo... todo inflúe.
Somos un país de xente satisfeita coa súa vida. Así, en xeral. De cada 10 galegos, 6 din estar entre bastante e plenamente satisfeitos. Tres andan aí-aí, abalando entre a fina fronteira que vai dun pouquiño insatisfeitos a unha migiña satisfeitos. E só un de cada dez afirma estar pouco ou nada satisfeito coa súa vida. Así se recolle no capítulo de 'Capital social: Benestar' da Enquisa estrutural de fogares do IGE. Porcentaxes que trasladadas a cifras apontan a que hai 229.000 galegos que non están moi contentos coa súa vida, 722.000 que están entre que si e que non, e máis de 1.400.000 que están satisfeitos. Os cartos non dan a felicidade? O 71% das persoas que gañan máis de 3.000 euros/mes din estar bastante ou moi satisfeitas coa súa vida. Entre os mileuristas, esta porcentaxe é do 45% Nesta enquisa hai moitos factores e variábeis que poden axudar a entender esa satisfacción, que poden influír ou condicionar a mesma, fóra determinismos. Así, unha visita aos parámetros de idade amosa que entre aqueles que teñen de 16 a 29 anos o 68% están bastante ou plenamente satisfeitos coa súa vida, mentres que apenas un 6,6% din estar pouco ou nada satisfeitos. Se elevamos o listón de anos até os que teñen 65 ou máis, o resultado é que o 9,6% se sitúa entre o 0 e o 4 nunha escala do 0 ao 10 (0 nada satisfeito e 10 plenamente satisfeito) mentres que do 7 ao 10 hai aínda unha boa porcentaxe, o 56%. Tamén, e segundo este barómetro, o nivel de estudos inflúe na satisfacción coa vida que un ten. As porcentaxes de satisfacción máis altas están entre os que teñen estudos superiores, un 70% ubícanse entre o 7 e o 10. Nesa puntuación só se sitúan o 50% dos que teñen estudos primarios ou non os teñen. Por contra, mentres que o 12,6% das persoas sen estudos ou con estudos primarios din estar pouco ou nada satisfeitos coa súa vida, esta porcentaxe cae ao 6,3% entre os que cursaron estudos superiores. Só o 6,3% dos galegos con estudos superiores afirma que está pouco ou nada satisfeito coa súa vida. Entre os galegos con estudos primarios ou sen estudos son o duplo, 12,3% Se o criterio que empregamos é o intervalo de ingresos mensuais por fogar, vemos como iso de que os cartos non dan a felicidade non semella acaer moito cos resultados desta enquisa. A porcentaxe máis alta de persoas bastante ou moi satisfeitas coa súa vida atopámolas entre as que gañan máis de 3.000 euros mensuais (o 71%). Entre os que ingresan de 2.000 a 2.500 euros mensuais ese nivel de satisfacción anda no 64%. E a medida que baixan os tramos de ingresos, vai caendo o número de persoas moi satisfeitas coa súa vida. Por baixo de 1.000 euros din partillar ese estado de satisfacción o 45%, mentres que o 19% opta por un pouco ou nada satisfeito (un sentimento que só comparte menos do 5% dos que gañan máis de 3.000 euros mensuais).
NOS_46838
O deseprego xuvenil que deixa a xente moza entre a precariedade e a emigración ou a discriminación por razón de xénero que condena ás mulleres a padeceren de maneira máis notoria as consecuencias da crise, son algunhas das reflexións que atoparás neste caderno de análise
A piques de se conmemorar o 1 de maio Sermos Galiza leva o seu caderno semanal ao mundo do traballo. As razóns para se mobilizar este 1 de maio centran a nosa análise semanal o día en que o goberno español anuncia, máis un pacote de reformas e recortes. Oito páxinas coordinadas por Xabier Pérez Igrexas arredor dos motivos para encher as rúas da Galiza a vindeira cuarta feira. As centrais sindicais preparan as súas convocatorias. Falamos cos líderes das centrais sindicais e entrevistamos ao secretario xeral da Confederación Internasindical Galega. As pollíticas de austeridade centrarán as demandas de CCOO e UXT mentres a central nacionalista apunta directamente ao "Partido Popular e a Unión Europea" como "os responsábeis da situación" actual que está a viver a clase traballadora galega. Unha realidade ennegrecida polas políticas neoliberais dos gobernos español e galego mais tamén das institucións europeas e internacionais. As consecuencias desta xestión, asegura Manuel Mera están a facer "do traballo un inferno". O deseprego xuvenil que deixa á metade da xente moza entre a precariedade e a emigración ou a discriminación por razón de xénero que condena ás mulleres á exclusión laboral ou a padeceren de maneira máis notoria as consecuencias da crise, son algunhas das reflexións que atoparás neste caderno de análise centrado naqueles "monstros no camiño" que deviñeiron na conmemoración do 1 de maio como Día da clase traballadora: o asasinato de milleiros de operari@s en loita por unha xornada laboral digna (8h). Após dous séculos daqueles acontecementos na cidade de Chicago, as vilas e cidades do país están chamadas nunha data "de rebelión e non de descanso", apunta Uxío-Breogán Diéguez arredor da historia que cerne esta emblemática data para o movemento obreiro.
NOS_5597
No noso país houbo un total de 4.674 manifestacións comunicadas ás autoridades durante 2013. Destas, e segunndo dados de Interior, 239 foron prohibidas.
Na Galiza houbo en 2013 un total de 4.675 mobilizacións notificadas ás autoridades, unha cifra que sitúa o noso país como o segundo territorio de todo o Estado español con maior número de manifestacións, só superado por Andalucía. Así se recolle no anuario do Ministerio de Interior español, no que se especifica que 239 desas manifestacións foron, di textualmente, "prohibidas" polas autoridades, o que non quer dicir, engaden, que non se puidesen realizar. No conxunto do Estado español o número de manifestacións prohibidas foi nese ano de 1.682. Só Andalucía e Nafarroa superan a Galiza nesta categoría. Desas máis de 4.500 manifestacións, case 2.000 responden ao que Interior cualifica de 'temática laboral', 860 a protestas "contra medidas políticas e lexislativas" e hai 50 que enmarca como "de temática nacionalista" No documento do departamento que dirixe Fernández Díaz documentan que a motivación principal das manifestacións convocadas en Galiza neses doce meses foi a temática laboral (1.989 mobilizacións), seguida das que tiñan como obxectivo protestar "contra medidas políticas e lexislativas" (860). Interior engloba medio cento de mobilizacións decorridas no noso país sob o argumento de "temática nacionalista". Baixo este epígrafe de 'temática nacionalista', Interior ten rexistradas 140 mobilizacións en Euskal Herria (127 en País Vasco e 13 en Nafarroa) e 16 en Canarias. De Catalunya non se ofrecen dados. Pontevedra encabeza a listaxe galega de manifestacións comunicadas (1.595 de 4.674) e tamén a de mobilizacións prohibidas (228 de 239). Incremento En comparación coas mobilizacións e protestos rexistrados en anos anteriores, o 2013 foi en Galiza dun aumento moi importante. En 2012 no noso país rexistráronse 2.213 mobilizacións, mentres que en 2011 esa cifra era de menos de 1.500 (das cales, 74 figuran como 'prohibidas').
PRAZA_12767
Cando os medios de produción simbólica insisten en converter a Xoán Carlos I no artífice da democracia española, no seu creador e salvador, na súa razón de ser, descobren sen querelo precisamente o gran trauma democrático do Reino de España. O réxime parlamentario non foi a consecuencia dun novo poder constituínte que abolise unha ditadura de catro décadas. Foi unha carta outorgada, o derradeiro alento dun ditador sanguinario.
Para calquera sensibilidade democrática, toda monarquía é unha anomalía anacrónica, un resto balorento do Antigo Réxime. Poida que unha pintoresca reminiscencia de pasados tempos gloriosos; sempre, unha inutilidade pública. Hoxe ser monárquico constitúe igual extemporaneidade que ser templario, e mais sempre é doado deixarse cegar por simboloxías grandiosas. E resesas. É valor simbólico o que a monarquía achega no Reino de España. Simboloxía nacionalista e católica, porque a coroa vén a se investir de sublimación invencible da eterna e divina grandeza de España É valor simbólico o que a monarquía achega no Reino de España. Simboloxía nacionalista e católica, porque a coroa vén a se investir de sublimación invencible da eterna e divina grandeza de España. Ou sexa, non unha grandeza levantada con esforzo colectivo, que esa quedou esgazada en 1936 cando apenas se concibía, non, a de España é unha grandeza outorgada pola divindade. O deus católico e toda a súa corte celestial, incluídos os seus bondadosos ministros na terra, termou do palio que abrigou os guerreiros da Santa Cruzada e murmurou consellos ao ouvido do Generalísimo durante anos de sacro imperio. Hoxe, por aí ha de andar a defender o que cumpra defender. A transcendencia fundacional da monarquía española non é casual, pois. A Santa Cruzada e as catro décadas de apracible goberno do Caudillo só foron a paréntese necesaria para restaurar o que a II República tronzara. A Restauración borbónica quedou insculpida coa firmeza das táboas da lei na Constitución Española de 1978. Por e para sempre. A cousa vén de lonxe. E non haberá elefante que a tombe nin negocio que a abale. Porque non hai lugar para o caos cando é a orde natural a que se impón. Comprendemos agora a sagrada unidade de España? En España hai monárquicos, unha curiosidade digna de asombro, pero non só. Tamén os hai republicanos de corazón (seica) que, dadas as hispanas circunstancias, son ante todo xoancarlistas e ademais están comprometidos a ser sen fisuras felipistas En España hai monárquicos, unha curiosidade digna de asombro, pero non só. Tamén os hai republicanos de corazón (seica) que, dadas as hispanas circunstancias, son ante todo xoancarlistas e ademais están comprometidos a ser sen fisuras felipistas. Esta pintoresca variedade de lealdades cortesás só a pode explicar a firmeza coa que opera o consenso do réxime, sostido por uns medios de produción simbólica militantemente acríticos nacidos nun plasma primordial totalitario. A ausencia de tradición republicana, ou sexa, democrática, remóntase talvez á expulsión dos franceses e aos brazos abertos a aqueloutro Borbón de nome Fernando. España nunca asumiu os postulados da Revolución Francesa. O 2 de maio e o 12 de outubro son as dúas grandes datas de referencia do nacionalismo español, e non é casualidade. Daquela, que un rei parta unha cadeira nunha cacería de elefantes en Botsuana ou que un seu xenro ande metido en posibles negocios pouco nítidos non son máis que consecuencia de todo anecdotario monárquico. Anécdota e nada máis. Nin serán a causa dunha abdicación nin da chegada dunha III República. Son regalos incluídos no paquete. A ausencia de tradición republicana, ou sexa, democrática, remóntase talvez á expulsión dos franceses e aos brazos abertos a aqueloutro Borbón de nome Fernando. España nunca asumiu os postulados da Revolución Francesa Cando os medios de produción simbólica insisten en converter a Xoán Carlos I no artífice da democracia española, no seu creador e salvador, na súa razón de ser, descobren sen querelo precisamente o gran trauma democrático do Reino de España. O réxime parlamentario non foi a consecuencia dun novo poder constituínte que abolise unha ditadura de catro décadas. Foi unha carta outorgada, o derradeiro alento dun ditador sanguinario.
NOS_27055
O secretario xeral do PSdeG arremeteu contra as novas formacións e fixo chanzas con Rajoy durante o mitin na Coruña no que participou Pedro Sánchez.
O PSdeG encheu o Palacio de Congresos da Coruña para recibir ao seu candidato á Moncloa, Pedro Sánchez. Un acto onde o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, arremeteu contra Podemos e Ciudadanos, a quen chamou "partidos emerxentes do PP", na liña defendida polo líder do seu partido durante o discurso. Besteiro dixo que apoiar a estas formacións suporá "un voto menos para Pedro Sánchez que para Mariano Rajoy". O secretario xeral do PSdeG asegurou que o actual presidente do Goberno central "non é de fiar" e fixo chanza coa súa aparición en programas televisivos. "Os dous puxeron a mesma cara que os primeiros poboadores da terra cando viron que se facía o lume", dixo con humor sobre o programa de TVE conducido por Bertín Osborne. Pilar Cancela defendeu a proposta socialista de abolir a prostitución A súa cabeza de lista pola Coruña, Pilar Cancela, dixo que "leccións de igualdade, ningunha, de ninguén", e defendeu a proposta do seu programa para abolir a prostitución. "As mulleres non nacemos para putas", manifestou. Cancela fixo ademais referencia indirecta ao #SermosDebate reiterando que na súa formación son "españolistas, federalistas e galeguistas". Un acto onde os socialistas se centraron no voto feminino. Nese sentido tamén falou Mar Barcón, a portavoz local do PSOE coruñés, quen apelou ao electorado feminino. "Non vos esquezades de votar a quen os ten que devolver os dereitos", proclamou sobre Pedro Sánchez. O líder do PSOE realizou o seu único acto de campaña en Galiza, un día despois do debate en Atresmedia. Sánchez adicou boa parte da intervención a cargar contra Ciudadanos e Podemos. Cualificou a Pablo Iglesias de persoa que "se quere a si mesmo" mentres reivindicou a experiencia política da súa formación fronte á de Albert Rivera.
NOS_47740
Unha mobilización en Compostela volveu lembrar a gobernos español e galego que "non fixeron os deberes" e seguen sen defender os intereses de colectivos que representan "milleiros de galegos".
Máis unha vez en Compostela e máis unha vez centos de persoas volveron se manifestar para exixir de Xunta de Galiza e goberno español que "sexan parte da solución e non do problema". Emigrantes retornados e ex-mariños galegos en Noruega volveron partillar mobilización esta segunda feira, como o pasado mes de outubro, para exixir que, afirman, se poña fin á situación inxusta que afecta a ambos os dous colectivos, que xuntos representan a milleiros de galegos. A marcha comezou na Praza do Obradoiro para finalizar diante do Parlamento. Representantes do BNG e de AGE tomaron parte na mobilización, que por tramos decorreu ao son dunha 'cacerolada'. Faixas e lemas deixaban claras as súas demandas á vez que demandaban o mesmo que hai meses: solucións. Peticións Os emigrantes retornados piden que se devolvan os impostos que o Estado español, afirman, lles cobrou irregularmente e que non se lles fixe un tipo impostivo diferente aos que non emigraron. Os ex-mariños, de por parte, solicitan cobrar as prestacións que lles corresponden após décadas cotizando en Noruega e que este país non lles quere pagar. Fomos "obrigados a emigrar", salientan os colectivos, e agora atopan un "goberno que non nos defende", unha crítica que extenden tamén á Xunta. Así, desde o colectivo de emigrantes retornados lembran que mentres un pensionista no Estado está exento de presentar declaración até os 22.000 euros, no caso dos que perceben prestación do estranxeiro o baremo baixa aos 11.200 euros. Iso considérano unha inxustiza a reverter. Desde 'Long Hope' lamentan que o Goberno "non teña vergoña" e non os apoie nunha loita que é "de xustiza". A isto engaden que, após máis de 30 mobilizacións, Núñez Feijóo non se reunise aínda cun colectivo que representa máis de 10.000 ex-mariñeiros galegos.
PRAZA_18827
Eslovenia trasladou as costuras que a separaban de Austria e Alemaña para as portas de Zágreb, a capital de Croacia, e dese xeito deixou de ser periferia económica europea para integrarse no centro rico. É polo que se devece no Véneto, na Lombardía e en Cataluña e nesa clave hai que entender ao president Torra. Nós somos sur
Eslovenia limita con Austria, cos latinos en Italia e polo sur vincúlase cos Balcáns, dos que trata de afastarse desde hai decenios. Nunha xogada mestra, rápida e prematura proclamaron a independencia e vinculáronse á área alemá, que naquelas datas, co muro derrubado, renovaba a idea de espazo vital, descartando a biopolítica, pero conservando a xeo. Berlín consolidou esa influenza, con saída ao Mediterráneo ademais. Por baixo quedaba o inferno.Eslovenia trasladou as costuras que a separaban de Austria e Alemaña e dese xeito deixou de ser periferia económica europea para integrarse no centro rico. É polo que se devece no Véneto, na Lombardía e en CataluñaA primeira publicación en esloveno editouse no S. XVI en Tubinga. Lubliana dista 200 kms. de Múnich e 400 de Belgrado e non sempre quixeron ser norte, porque houbo tempos en que compensaba estar no sur. Nos anos noventa do S. XX eran a nación máis rica de Iugoslavia e agora medra un 4% anual, está na OTAN e tamén na UE.Eslovenia trasladou as costuras que a separaban de Austria e Alemaña para as portas de Zágreb, a capital de Croacia, e dese xeito deixou de ser periferia económica europea para integrarse no centro rico. É polo que se devece no Véneto, na Lombardía e en Cataluña e nesa clave hai que entender ao president Torra.Nós somos sur.
NOS_17456
Aprazou 2 das 3 preguntas d@s nacionalistas amparándose en que non podían comparecer os responsábeis.
O BNG procedeu nesta sexta feira a abandonar a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos como protesto polo que consideran unha "falla de respecto manifesta" da Xunta para co Parlamento galego. O aprazamento de 2 das tres preguntas d@s nacionalistas (unha relativa aos afectados polas preferentes e outra ao TTLC) foi o motivo do protesto. O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, criticou que ningún representante do goberno autonómico se puxese en contacto cos nacionalistas para informar destes aprazamentos, enterándose 24 horas antes da Comisión por un escrito. O Bloque considera que se está a "degradar" por parte da Xunta o órgano elixido pola cidadanía e que con esa actitude e comportamento "desvirtúase" a labor de control do executivo.
PRAZA_16559
OBITUARIO Hawking, falecido este 14 de marzo aos 76 anos, desenvolveu unha intensísima actividade investigadora pero tamén divulgadora sobre conceptos tan complexos como o Big Bang ou os buracos negros
O 8 de xaneiro de 1942, 300 anos despois da morte de Galileo Galilei, nacía en Oxford o que sería o profesor Stephen William Hawking. O astrofísico falecido este 14 de marzo aos 76 anos de idade desenvolveu unha intensísima actividade investigadora pero tamén de divulgación que o levou a encher auditorios por todo o mundo, tamén en Galicia, para explicar as súas teorías e pescudas sobre temas tan complexos como o xeito en que se produciu Big Bang, os buracos negros ou o desenvolvemento da teoría da relatividade de Einstein. Un aquel de brillante científico pop para explicalo todo. A comezos dos anos 50 o seu pai desexaba que estudase Medicina e el inclinábase polas Matemáticas. Pero esta titulación non existía en Oxford e inclinouse pola Física, eido no que comezou a destacar pouco despois. En 1962 Hawking chegou ao Departamento de Matemáticas Aplicadas e Física Teóricad a Universidade de Cambridge para investigar no ámbito da cosmoloxía. En 1965 culminou o seu doutoramento cunha tese na que estudaba a expansión do universo. Dous anos antes fora diagnosticado de Esclerose Lateral Amiotrófica, unha doenza que o obrigou a empregar unha cadeira de rodas pouco despois e que foi paralizando o seu corpo progresivamente. A enfermidade non impediu, así e todo, a súa prolífica traxectoria científica e divulgadora. A cerna do seu traballo conxistiu en debullar as leis que gobernan o universo. Demostrou que a teoría xeral da relatividade implicaba que todo comezara no Big Bang e todo rematará nos buracos negros, que non son completamente negros, senón que emiten unha radiación, a radiación de Hawking. Os seus traballos tamén tenderon a explicar que o comezo do universo estaba xa determinado polas leis da ciencia. De aí as súas afirmacións a respecto da inexistencia dun deus creador. Hawking, falecido este 14 de marzo aos 76 anos, desenvolveu unha intensísima actividade investigadora pero tamén divulgadora sobre conceptos tan complexos como o Big Bang ou os buracos negros A Breve historia do tempo, a Teoría do todo ou O Grande deseño son só tres exemplos dunha obra case tan ampla como os recoñecementos recibidos durante a súa vida. Un deles chegoulle dende Galicia en 2008, cando recibiu o primeiro premio Fonseca da Universidade de Santiago "pola súa excepcional mestría na popularización de conceptos complexos da Física no borde último da nosa comprensión do Universo, combinada coa máis alta excelencia científica, e por tornar nunha referencia pública da ciencia no mundo". Alén dos seus eloxios á paisaxe e á gastronomía galegas, para a historia daquela viaxe quedou a súa conferencia sobre os buracos negros, impartida nun Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia que ficou pequeno para a ocasión. Aquela visita a Galicia deu lugar á curiosidade académica e cidadá pola figura de Hawking e o seu enorme coñecemento, pero tamén polo xeito en que a súa enfermidade o obrigaba a vivir, desprazarse e comunicarse. O científico foi transparente neste sentido e na súa propia web ofrecía detalles sobre a cadeira de rodas e os programas informáticos que empregaba. Dende 1997 expresábase grazas a un sistema de comunicación fornecido por Intel. Hawking seleccionaba os caracteres para construír palabras e frases a movendo a súa fazula. Ese movemento era detectado por un sistema de infravermellos montado nos seus lentes. O dispositivo completábase cun software de escritura preditiva e coordenado cun sintetizador de voz. "Dáme un acento que foi descrito como escandinavo, americano ou escocés", ironizaba. Sitio web oficial de Stephen Hawking
NOS_50007
O calendario "O Gaiteiro de Lugo" sae de novo á rúa cunha homenaxe ao poeta Xosé Díaz Castro, a quen este ano que recolle as súas páxinas se lle dedica o Día das Letras Galegas. O calendario agrícola que naceu en 1857 continúa a súa andaina da man de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo.
O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro xunto co coordinador da Asociación Xermolos, Alfonso Blanco e o responsábel de publicacións Xoán Ramiro Cuba, presentaron unha nova edición do almanaque "O Gaiteiro de Lugo" que desta volta homenaxea a Xosé Díaz Castro a través dos textos literarios da publicación. O calendario agrícola contempla información sobre mareas, lúas, feiras, santoral, refráns, adiviñas e indicacións para tarefas agrícolas combinado con textos literarios do país. "Estamos ante unha das publicacións que mellor reflexa a historia do país e da nosa lingua. A pesar da súa longa historia, non sería até 1927 cando se produciría a galeguización máis intensa desta publicación", sinalou Mario Outeiro que definiu a publicación como a máis antiga de Galiza, nacida grazas, segundo destacou, ao esforzo do impresor Manuel Soto Freire e a colaboración de representantes da cultura galega entre os que destacou á propia Rosalía de Castro. A historia da publicación sofre unha paréntese en 1974 cando deixa de saír á rúa para regresar no 1997 da man da propia Deputación de Lugo que leva xa dezasete números encargándose da súa edición. O almanaque deste ano sae cunha primeira tiraxe de 2.000 exemplares que se distribuirán en librarías de Lugo e noutros puntos do país alén de repartirse en actividades culturais programadas pola Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz, concello que será centro das celebracións deste ano arredor do Día das Letras Galegas.
NOS_265
"A Igrexa católica, como institución, desestimou formar parte da comisión de investigación", manifestou o Defensor do Pobo no Estado, Ángel Gabilondo
A Conferencia Episcopal Española (CEE) desestimou "formar parte da comisión de expertos que asesorará o Defensor do Pobo para realizar a súa investigación sobre os abusos sexuais a menores acaecidos no seo da Igrexa católica española". Así o confirmou esta segunda feira o Defensor do Pobo no Estado español, Ángel Gabilondo. Fíxoo durante a súa comparecencia ante a comisión mixta (Congreso-Senado) de relacións co Defensor do Pobo, onde compareceu a petición propia para dar conta dos avances da investigación de abusos sexuais na Igrexa que lle encomendou o Parlamento. Luz verde a investigar os abusos na Igrexa: así será a comisión que liderará Ángel Gabilondo Gabilondo explicou no Congreso que, tras diferentes conversacións co secretario xeral e portavoz da CEE, Luís Argüello, e co presidente da CEE e cardeal arcebispo de Barcelona, Juan José Omella, "a Igrexa católica, como institución, desestimou formar parte da comisión sinalando que isto non suporía deixar de colaborar sempre dentro da lei". Gabilondo tamén precisou que se reuniu co presidente da Conferencia Española de Relixiosos (Confer) quen lle manifestou a súa "vontade de colaborar" co que poida solicitarlles o Defensor do Pobo, "en coordinación coa CEE". Gabilondo puntualizou que "queda por definir en que termos concretos se dará esta colaboración". Máis de 500 denuncias de abusos en dous anos Nós Diario informaba en marzo de que a Igrexa Católica recibira no conxunto do Estado español até 506 denuncias sobre abusos sexuais nos dous primeiros anos desde que se puxeron en marcha as oficinas para a prevención de abusos a menores. A Igrexa española anuncia que se someterá a unha auditoría independente sobre os abusos sexuais En 103 dos casos de abuso, o acusado xa faleceu, aínda que os casos investíganse aínda que o presunto agresor falecese ou mesmo se o caso prescribiu.
PRAZA_329
O PP leva anos facendo campaña de desprestixio sobre o traballo dos deputados e deputadas. Burlándose do Parlamento galego, considerándoo de segunda ou terceira división. Denigrar a política para a dereita está na folla de ruta de quen aborrece a soberanía das persoas e dos pobos.
A palabra democracia é, cando menos, polisémica. Tanto vale para un roto como para un descosido. Pode empregala o PP para defender a cadea perpetua, as reformas laborais ou a redución de iniciativas no Pleno do Parlamento galego e quedar tan pancho. Por iso, quixera facer unhas consideracións sobre o estraño pacto entre PP e PSdeG para reducir as intervencións de BNG e AGE no Pleno do Parlamento coa escusa da formación dun novo grupo, o grupo mixto, despois dos abandonos no grupo de AGE. Até esta lexislatura todos os grupos parlamentares, independentemente do número de deputadas e deputados que o conformasen, tiñan un reparto igualitario en propostas e tempos para os Plenos Até esta lexislatura todos os grupos parlamentares, independentemente do número de deputadas e deputados que o conformasen, tiñan un reparto igualitario en propostas e tempos para os Plenos. A maioría ou a proporcionalidade viña dada pola propia votación. Sen embargo, a posibilidade de introducir os problemas da rúa e as propostas políticas non se vía mermada por mor do número de persoas que conforman o grupo. Isto ten unha lóxica democrática inherente xa que é xusto a oposición a que ten un papel máis activo nas Cámaras lexislativas. Esta proporcionalidade simétrica rachouse ao inicio desta lexislatura, erro claro desde a miña óptica. Isto acentuouse coa formación do grupo mixto. A Mesa do Parlamento decidiu impor unha redución das iniciativas tanto do grupo que perdeu as deputadas como do grupo do BNG. Non se reducen as do PSdeG e tampouco as do PP. Así as cousas, temos menos posibilidades de levar ao Pleno os problemas dos galegos e galegas, menos posibilidades para preguntar a Feijóo, menos posibilidades para presentar en pleno medidas chamadas de impulso. En fin, menos voz e menos liberdade de expresión. O PP leva anos facendo campaña de desprestixio sobre o traballo dos deputados e deputadas. Burlándose do Parlamento galego, considerándoo de segunda ou terceira división Levantemos a cabeza e miremos en que contexto ocorre este recorte. O PP leva anos facendo campaña de desprestixio sobre o traballo dos deputados e deputadas. Burlándose do Parlamento galego, considerándoo de segunda ou terceira división. Denigrar a política para a dereita está na folla de ruta de quen aborrece a soberanía das persoas e dos pobos. Para o PP é máis cómodo gobernar desde os despachos dos oligopolios enerxéticos ou desde as construtoras reconvertidas a empresas de servizos sociais. Para que necesita Parlamentos quen publica no DOG desde os Consellos de Administración? A Feijóo gústanlle como platós televisivos. Mais alá molestan, son incómodos. Poden estar persoas afectadas polas súas políticas, de feito, escribo este artigo despois de escoitar coa pel da galiña os gritos desesperados dos e das enfermas de Hepatite C no xusto momento que o PP votaba en contra de subministrar o medicamento que lles pode salvar a vida. As persoas que están na tribuna poden escoitar de primeira man o que no Parlamento ocorre e iso non gusta ao PP. Feijóo prefire os planos preparados da televisión de Galiza. Prefire os titulares que envía desde os seus gabinetes. Claro que coa súa lóxica cunha iniciativa por grupo chegaba ben. Incluso para unha foto sobra. Nese delirio de control e desprestixio do Parlamento está instalado o PP. Sorprende que o PSdeG entre a ese xogo Nese delirio de control e desprestixio do Parlamento está instalado o PP. Sorprende que o PSdeG entre a ese xogo. O trato igualitario entre grupos que agora se racha é unha perda da liberdade de expresión independente de onde se vexa cada grupo no futuro. Non é un problema de siglas ou persoas. De que existan cinco grupos ou vinte e cinco. É un problema de concepción da democracia. Incluso a semántica aquí non chega, é unha cuestión de pragmática. Que práctica política avala a noción de democracia? Ben sei que algunhas persoas ven no Parlamento galego un Parlamentiño. Non recoñecérmonos nas institucións propias por cativas que sexan tamén é un xeito de asumir a colonización. Pode que entendan o paso polo mesmo como unha estadía en provincias mentres fan méritos para acceder á Corte. De feito poucas veces escoitei falar do "Congresito". A proporcionalidade de voto provén das urnas. A posibilidade para debater temas e propostas non. O exercicio da pluralidade é o exercicio da democracia O Parlamento de Galiza require dun novo regulamento que axilice trámites e permita dar contestación rápida aos problemas que se viven acotío na rúa, nas escolas, nos hospitais, nas fábricas, nos barcos do xeito, nas poucas explotacións agrarias que sobreviven, nas casas de acollida para mulleres maltratadas, nas compañías de teatro, nas editoriais galegas,... Mais que manteña a equidade de trato entre grupos. A proporcionalidade de voto provén das urnas. A posibilidade para debater temas e propostas non. O exercicio da pluralidade é o exercicio da democracia. Non é un tema menor recortar a democracia e a liberdade de expresión no Parlamento galego. Menos iniciativas, menos política galega, menos espazo para noticias sobre problemas dos galegos e galegas, menos axenda propia... Conclusión: menos é menos. Galiza tamén.
NOS_37979
A realidade enganosa é un traballo no que Néboa aposta por un pop en galego sofisticado con melodías inspiradas tanto polo folk galego como polo jazz.
A música de Néboa é desas que resulta complicado enmarcar nunha soa categoría. Despois de publicar un EP e varios singles, a banda vén de lanzar o seu primeiro disco de longa duración, titulado A realidade enganosa. Neste traballo Néboa aposta por un pop en galego sofisticado, cunha produción minimalista pero na que conviven tanto sintetizadores e outros sons electrónicos, coa cara máis orgánica da súa instrumentación. A realidade enganosa / Néboa / 10 pezas / 2020 / 7 euros As dez cancións que compoñen este traballo supoñen unha escoita tan interesante como emocional, na que as letras en galego e en portugués danzan sobre melodías que parecen inspiradas tanto polo folk galego como polo jazz. Producido por Lucas de Centi no icónico Náutico de San Vicente do Mar e tamén por Hevi, líder de Malandrómeda, no Laboratorio Soyuz, A realidade enganosa consegue manter un son intimista á vez que ambicioso. O disco comeza cunha melodía de voz envolta na néboa da portada deste traballo. Pouco a pouco, os instrumentos van aparecendo en "Coidar dunhas Colmeas" para acompañar á voz, sonoridades como a do piano e outros instrumentos de percusión acústicos e electrónicos que, ao pouco tempo, se ven asolagados por un omnipresente sintetizador que non deixa de crecer. "Límites" comeza cunha chea de ondas de son, que non deixan de golpearnos unha tras outra como se se tratase do propio océano, para dar paso a unha fermosa melodía de voz cantada en portugués, sobre unha guitarra acústica e unha percusión electrónica que soa como o latexo dun corazón. As harmonías de voz dotan de cor esta pista, especialmente na súa segunda metade, onde a reverberación e a produción lo-fi dota dun aire fantasmal a esta canción. En "Sácame do Centro" a voz non só canta, tamén recita, nunha peza na que a instrumentación amosa unha grande liberdade, como a do fermoso punteo de guitarra eléctrica durante a súa primeira metade. Pola súa parte, en "Non deixará porta sen abrir (rumba)" a voz convértese nun instrumento máis, cortada, e reproducida como se se tratase dun sintetizador. O ritmo acelérase en "Noctambulismo #2'" unha peza que pouco a pouco vai sumando elementos ata acadar un catártico clímax que resolve nunha fermosa coda instrumental. A cara máis próxima ao jazz deste disco asoma en "Veña a chuvia", nas súas harmonías, na súa batería e nas súas melodías de voz, as grandes protagonistas no tramo final da canción. Os imprevisibles sons electrónicos de "O Descenso" marcan unha pista atmosférica con delicadas e fermosas interpretacións. Porén o clímax do disco chega por partida dobre, primeiro en "Despois do Terramoto" e o seu estourido final, que se repite en "Valente (folión)", dúas pezas con inicios moi pausados que rematan por ofrecer algúns dos momentos máis enérxicos deste fantástico debut.
NOS_15950
Nova entrega do director de Sermos na rede galega de vlogues, desta volta sobre unha curiosa converxencia temporal: ao mesmo tempo que a catalá CDC se refunda como independentista, voces nacionalistas galegas piden estreitar lazos coa esquerda estatal.
No seu vlogue, Xosé Mexuto dá por sentado que canto á conciencia nacional Catalunya e Galiza "moran en planetas distintos", mas mesmo así se pergunta se no noso país a mellor forma de avanzar cara ao autogoberno nacional -xa non digamos a independencia- é confluíndo coa esquerda estatal tal e como propuxeron estes días atrás un grupo de militantes do BNG encabezados polo ex portavoz nacional, Xavier Vence. Nese sentido, pergúntase aínda o director de Sermos que leva conseguido Anova desde que se integrou en plataformas con partidos de ámbito español e a eses efeitos apunta a cuestión da non constitución do grupo parlamentar galego no Congreso.
NOS_11002
Organizacións feministas chaman a se mobilizar perante o crime. O Xulgado de Instrución nº3 de Lugo decretou prisión provisional sen fianza para a súa exparella.
Nova vaga de mobilizacións perante o que podería ser o segundo asasinato machista de 2016 na Galiza. Á espera de que se formalice a acusación contra IIbrahima N., o único detido polo crime de Tatiana Vázquez en Lugo, o movemento feminista convoca concentracións de repulsa esta quinta feira (14 de abril) ás 20 h. Ourense, na Castañeira Ferrol, perante a Casa do Concello A Coruña, no Obelisco Compostela, na Porta do Camiño Noia, perante a Casa do Concello 20:30h Lugo, perante a Casa do Concello Pontevedra, perante a Audiencia Provincial Vigo, perante o MARCO 19:30h Val Miñor, Parque Ramallosa Prisión provisional Esta cuarta feira (13 de abril), Ibrahima N., pasou a disposición xudicial esgotadas as 72 horas de prisión preventiva fixadas pola lei e o Xulgado de instrución nº3 ordenou o seu ingreso en prisión, de forma provisional, comunicada e sen fianza. Prestou declaración xudicial durante 45 minutos, segundo recolle La Voz de Galicia. Ibrahima N. nega os delitos que se lle imputal --malos tratos e homicidio-- e pediu ser posto en liberdade, dixo o seu avogado, perante a falta de indicios para o incriminar, defendeu. Porén, fontes próximas á investigación apuntan que podería ser enviado a prisión por orde xudicial nas vindeiras horas.
NOS_22264
A xornalista Paula Castro prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
O pasado 2 de maio o Parlamento Europeo aprobaba, por 323 votos a favor, 262 en contra e 48 abstencións, o informe de iniciativa lexislativa para reformar o sistema electoral europeo, que foi presentado e defendido polo europedutado do PSOE Doménech Ruiz Devesa. O novo modelo contempla a elección dos deputados e deputadas por sufraxio universal directo, tomando toda a UE como circunscrición; que as eleccións pasen a celebrarse o 9 de maio, Día de Europa, e que se poida votar a partir dos 16 anos, entre outras cuestións. Para iso contémplase harmonizar as normas electorais de forma que "os cidadáns europeos teñan dereito a votar a distintos partidos a escala da Unión con candidatos procedentes de varios Estados membros, e que, durante un período de transición suficiente, aínda poidan votar partidos tanto nacionais como transnacionais". Para as eleccións de 2024 votaríase con dúas papeletas, unha para candidaturas dos estados e outra para candidaturas europeas. Porén, tal e como se recolle no informe, esta modalidade sería transitoria, coa vista posta en culminar o proceso "transformando as eleccións europeas nunha única elección europea", co establecemento "dunha circunscrición electoral que abranga toda a Unión, en lugar da suma de vinte e sete eleccións nacionais distintas". Na lexislación española non hai exencións para os partidos políticos ou agrupacións de electores que representen minorías nacionais ou lingüísticas recoñecidas A xustificación para esta reforma é facer efectivo o artigo 14 do Tratado de Lisboa para que o Parlamento estea composto "por representantes dos cidadáns da Unión, non dos pobos dos Estados membros". Exclusión das minorías e dos pobos O texto incide en que "se deben contemplar os principios de proporcionalidade e igualdade de oportunidades no que respecta ás minorías, que están infrarrepresentadas no Parlamento Europeo". Isto tradúcese, curiosamente, no establecemento, no artigo 13 do Regulamento electoral proposto, dun mínimo do 5% dos votos válidos emitidos para a atribución de escanos. Mínimo que sería do 3,5% naquelas circunscricións que atinxan máis de sesenta escanos. O Regulamento prevé que non se terán en conta estes límites de existiren exencións nas lexislacións dos estados para os partidos políticos ou agrupacións de electores que representen minorías nacionais ou lingüísticas recoñecidas. Exencións que no caso do Estado español non existen. Os límites desaparecen tamén caso de tratarse de candidaturas rexistradas nunha cuarta parte dos Estados membros que obteñan, cando menos, un millón de votos en toda a Unión e que inclúan na súa papeleta "nacional" só o nome e o logotipo da entidade electoral europea na que concorren, ou para a atribución de escanos na circunscrición da UE. A reforma, de se facer efectiva, porque o Consello, que ten que aprobala por unanimidade, pode modificala e ao regresar ao Parlamento este debe aprobala novamente por maioría, reduciría de vez a diversidade e pon aínda máis en cuestión a xa escasa democracia da UE. Obrigaría ademais a diluír a representación dos pobos en coalicións electorais para garantir representación e dificultaría ás minorías chegar á institución. A reforma reduciría de vez a diversidade e pon aínda máis en cuestión a xa escasa democracia da UE Iso sábeno ben os grupos políticos "proeuropeos" que apoiaron a proposta. Tal é así que o representante dos Verdes alemáns, que saíu a manifestar o apoio do seu grupo, cuestionou o 3,5% como límite para Alemaña considerando que "5 millóns de votos" poderían quedar sen representación por non superar esa porcentaxe. Consideración malia a que se sumaron ao proxecto para "dar voz á cidadanía europea". No caso do Estado español, nas eleccións europeas de 2019, BNG, Bildu, Esquerra, Ahora Canarias, Andecha Astur e Puyalón de Cuchas concorreron en coalición baixo o nome "Agora Repúblicas", que obtivo un 5,58% dos votos e 3 escanos. Porcentaxe que daría para obter representación atendendo aos novos límites que se pretenden introducir pero que obrigaría a todas estas formacións a reeditar a fórmula para acceder ao Parlamento europeo. Non tería a mesma sorte a coalición na que concorreu o PNV, que obtivo daquela un único escano, co 2,82% dos votos. Semellan obvias as razóns do PSOE e do PP para apoiar esta reforma que saben que dificultaría enormemente aos pobos verse representados nesta institución, pero que deixaría un maior número de escanos para repartir entre eles. Sobre todo se foran en candidaturas paneuropeas, que non perden nin un só voto, aínda que representaran o 1% nun estado membro, mentres que un pobo que dera o seu apoio masivo a unha candidatura propia, sen chegar a conseguir o 3,5% necesario, quedaría sen representación algunha. A reforma afonda, pois, na uniformización, so pretexto de crear unha única cidadanía europea; dá máis representación e, polo tanto poder, aos grandes grupos que din defender os intereses de Europa e non os dos pobos que a compoñen e elimina, de vez, os e as molestas deputadas que cuestionan, cada día, as políticas neoliberais que emanan desas institucións atendendo aos intereses dos lobbys e non os da cidadanía para a que din gobernar.
NOS_43091
Entre 1936 e 1943, a illa de San Simón, na ría de Vigo, foi un campo de concentración fascista. Por el pasaron arredor de 6.000 persoas, republicanas, galeguistas, anarquistas, comunistas, socialistas. Ese é o escenario elixido pola empresa navieira Nabia para celebrar, con permiso do Goberno galego, a noite de Samaín este 31 de outubro. Familiares de represaliadas amosaron o seu rexeitamento e esixen a Feixoo que impida a festa.
"Cando sexades maiores e fagades unha visita a esta illa, non como eu a fixen, á forza e coas mans atadas, senón en plena liberdade, lembrade que alí estivo o voso pai. Que cada recuncho desta illa é unha lembranza miña". Este fragmento, orixinalmente escrito en castelán, fai parte da carta que José Mejuto escribiu á familia desde San Simón. Alí foi fusilado o 27 de xullo de 1937. A actriz Mónica Camaño leu íntegra a misiva no acto en protesta contra o Samaín en San Simón convocado esta terza feira pola Iniciativa Galega pola Memoria en San Adrián de Cobres. Ademais de Camaño, interviñeron Carlos Casal, cuxos tío e avó padeceron a represión na illa, e Enriqueta Otero, filla do socialista Eduardo Otero Molas, preso no lugar. Adheriuse o xornalista Fernando Salgado Varela: o seu avó Pancho Varela estivo en San Simón antes de ser fusilado en Pontevedra na mesma data que Mejuto. "É unha profanación dun espazo simbólico da memoria democrática, dun lugar que supuxo sufrimento, dor e terror e que agora é utilizado como escenario para unha festa frívola que se publicita, nunha sorte de mofa, como unha experiencia divertida de medo e terror", afirmaron os colectivos de memoria e as familias, "unha festa de disfraces que supón para nós unha indecente e insultante banalización do mal". A neta de José Mejuto, Ana Paula Mejuto, remitiu un escrito desde Bos Aires (Arxentina) en que cualifica de "ofensa" que a Xunta permita a unha empresa privada realizar festas na illa. "San Simón debe ser lugar de reflexión e de memoria. Debe ser lugar da dignidade e honra aos que llas sacaron e padeceron tormentos inimaxinábeis", di, "cando se propoñen este tipo de actividades ficamos perplexas. Despois de todo o que se sabe que sucedeu alí alguén propón 'unha divertida noite de terror". As entidades convocantes do acto lembraron que a illa de San Simón, ademais de espazo da memoria, é "Ben de Interese Cultural convertido nun parque de atraccións explotado por compañías privadas para facer negocio. Un espazo onde ten cabida todo tipo de actividades agás, xustamente, as de memoria histórica". Durante os anos do Goberno bipartito de PSdeG e BNG -2005-2009-, a illa acolleu un centro dedicado a reconstruír o que alí aconteceu, inmediatamente desmantelado coa chegada do PP á Xunta. Ana Paula Mejuto denuncia ademais a idea que "das vítimas, as súas familias e o lugar" ten o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, "reflectida no tipo do cartaz [do evento de Samaín] con pantasmiñas e risos infantís". "Lonxe, moi lonxe está a súa intención, como home de cultura, de promover o coñecemento e a reflexión para que nunca suceda o que sucedeu". Os colectivos da memoria tamén avisaron de que, anule ou non a Xunta o Samaín deste 31 de outubro, seguirán a traballar para que San Simón sexa "illa da memoria, cunha programación de carácter público centrada na memoria histórica democrática e un plan de usos para evitar actividades ofensivas para as vítimas do franquismo e as súas familias". Nota: o cartaz da festa de Samaín convocada en San Simón para este 31 de outubro.
NOS_2973
Segundo o Itinerario da Marcha do Alvia, o comboio que conducía Francisco José Garzón podía circular a unha velocidade de até 220 quilómetros/horas a apenas 300 metros da curva da Grandeira. Isto significa que a redución da marcha, dos 190 quilómetros/hora aos que declarou ir o maquinista aos 80 do límite de velocidade, se debería ter realizado nun tempo récord.
O Itinerario da Marcha do Alvia permite ao comboio circular a unha velocidade máxima 220 quilómetros por hora até o quilómetro 84,230, apenas 300 metros antes da curva da Grandeira en que se produciu o brutal descarrilamento. Enxeñeiros ferroviarios consultados por El Mundo afirman que, para reducir a marcha a 80 quilómetros/hora, unha máquina que circula a esa velocidade precisa dunha marxe dun mínimo de 1,5 quilómetros. De acordo co Itinerario da Marcha, a distancia entre a zona de 220 quilómetros/hora e a zona de 80 quilómetros/hora en que se rexistou o accidente só era de 300 metros. Segundo a información publicada por El Mundo, diario que tivo acceso ao Itinerario da Marcha, a decisión sobre o momento en que debía comezar a desacelerar a tiña que tomar en solitario o maquinista, sen dispor de ningún medio tecnolóxico que o auxiliara. O rotativo que dirixe Pedro Jota Ramírez xulga que "bastou un despiste do condutor de arredor dun minuto para que se desencadease a traxedia". El Mundo pide no editorial unha revisión dos protocolos dos mecanismos de seguridade No seu editorial, El Mundo, após deixar sentada a responsabilidade do maquinista na traxedia, afirma que con ela "non se esgota o debate de se os protocolos e os sistemas de seguranza do Alvia son os máis adecuados. Á vista da traxedia, pode concluírse que non". "O Alvia é un tren altamente sofisticado cun sistema rudimentario de seguridade que o fía todo ao maquinista sen prever que é un ser humano que está sometido a un mareo ou a unha distracción", afirma El Mundo. A conclusión do diario madrileño é que "todo" obriga a "unha revisión dos protocolos e os mecanismos de seguridade que, segundo demostrou este terríbel accidente, son moi mellorábeis".
NOS_6122
O Parlamento aproba, coa maioría do AKP de Erdogan e o ultranacionalista Partido de Acción Nacionalista turco (MHP), a Lei de Prevención do Financiamento do Terrorismo.
Unha nova lei turca permitirá un maior control das organizacións da sociedade civil e que para grupos humanitarios trátase dun exercicio de control "arbitrario". A nova regulación foi aprobada polo Parlamento de Turquía este domingo pola maioría formada por Xustiza e Desenvolvemento (AKP), do presidente do país, Recep Tayyip Erdogan, e o ultranacionalista Partido de Acción Nacionalista turco (MHP). Varios grupos de dereitos humanos criticaron que a lei viola o dereito á liberdade de asociación. Concretamente, o proxecto de lei podería "restrinxir arbitrariamente as actividades das organizacións non gobernamentais", segundo a ONG prol Dereitos Human Rights Watch (HRW). Para este organismo, as leis de loita contra o terrorismo están a empregarse de maneira indebida en Turquía, e a nova lexislación é exemplo diso. Frear grupos armados Para as autoridades turcas, o proxecto de lei ten como obxectivo axudar a frear certos modelos de financiamento de grupos armados a través destas organizacións. Con todo, unha gran parte das disposicións outorga ás autoridades maiores poderes para impulsar o escrutinio e o control sobre os grupos independentes da sociedade civil, incluídas as súas competencias para recibir fondos. Así, o Ministerio do Interior terá o dereito de suspender a un membro do grupo do seu cargo se a persoa está a ser investigada en virtude da Lei de Prevención do Financiamento do Terrorismo e en relación coas súas actividades da sociedade civil. O Goberno turco terá o poder de suspender as actividades de toda unha organización, nun acto que pasaría inmediatamente baixo o criterio dun tribunal. A corte, á súa vez, tería 48 horas para decidir sobre estes casos.
NOS_45334
As cancións da tristura de Vinicio Capossela posúen unha perspectiva singular: ollan o mundo desde abaixo. Desde o traballo campesiño da Irpinia, no sur de Italia, e desde a empatía co canto popular dun Matteo Salvatore. Desde os que sofren a historia nas costas, ao cabo. Capossela presentará, por primeira vez na Galiza, o seu folk subalterno nun concerto este sábado no Teatro Jofre de Ferrol.
O disco dobre que o músico italiano publicou en 2016 titúlase Canzoni della cupa. Dividida en Polvere (Po) e Ombra (Sombra), a obra rescata memorias e sucesos dunha civilización a piques de se extinguir, a labrega da Italia meridional. "É un mundo que a historia medio soterrou", declarou á saída do elepé, cuxos labores iniciais se remontan a 2003. Aínda que a figura do "Tom Waits mediterráneo" pairou decote sobre Vinicio Capossela, a súa personalidade vai moito máis alá. Explorador das culturas oprimidas e defensor do valor das músicas tradicionais e populares, en Canzoni della cupa desenvolve unha especie de paganismo rebelde cruzado co Bob Dylan da "vella e estraña América". Mais o sur de Capossela non é o de Estados Unidos. O seu proxecto é tamén unha revindicación do policentrismo musical. Xusto antes de Canzoni della cupa, Capossela viaxou á Grecia aldraxada pola troika. Alí naceu Rebetiko Gymnastas (2012), dedicado a ese blues de arrabalde do medio oriente que se chama rebetiko. En Marinai, profeti e balene (2011), tamén dobre e definido polo autor como unha "Mariña Comedia sen medida", o mar e as súas representacións literarias eran protagonistas. Máis dunha ducia de gravacións compoñen a súa discografía. A Ferrol chega en formato trío, con Alessandro Asso Stefena e Víctor Herrero. O concerto será o sábado 21 de abril ás nove, no Teatro Jofre, dentro do ciclo municipal Son Aloumiños. As entradas véndense a partir de oito euros.
NOS_1000
En só un trimestre pasaron de ser menos do 7% a máis do 9,5%. Os fogares que recoñecen que lles costa completar o mes suman o 60% do total.
Un de cada dez fogares galegos recoñecen chegar con moita dificultade a final de mes e case 5 de cada dez, con dificultade. Son os datos do IGE que se fixeron públicos esta terza feira e que indican que a crise non marchou de Galiza: 6 de cada 10 fogares teñen dificultades para acabar o mes. Unha cifra similar á que reflectían os informes do IGE nos anos máis duros da crise. O 9,52% das familias galegas recoñecen no segundo trimestre que teñen "moitas dificultades" para chegar a fin de mes. Son dous puntos e medio máis que os que facían esta mesma afirmación no primeiro trimestre (6,96%). Se facemos a comparación interanual, ese incremento tamén é notábel: pasouse do 7,48% do II T de 2015 a este 9,5. Houbo un lixeiro descenso dos que recoñecen que para completar o mes teñen "dificultades", que son agora o 46% fronte ao 47% do primeiro trimestre. Mais seguen a ser case a metade dos fogares galegos. Sen extras Case dous de cada dez fogares galegos afirma que non se permitiu ningún extra (gastos de vacacións e viaxes, compras a maiores das habituais...) nos últimos tres meses. E un 14% diminuiu os gastos comúns, como roupa e calzado, así como transporte. A isto engádese que o 13,25% dos fogares galegos cambiou os seus hábitos de compra, comprando marcas brancas ou produtos de oferta.
NOS_46663
A Xunta advirte que actuará "en consecuencia" se o Executivo español non devolve os millóns do IVE
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, instou o Goberno español a rectificar "nas próximas horas" e deixar sen efecto a súa decisión de non pagar a Galiza os 200 millóns que lle debe do IVE ou actuará en "consecuencia". "Se nas próximas horas non hai un desmentido da decisión do Goberno de non pagar" cada territorio "saberá o que ten que facer" e, "desde logo, Galiza, sabe o que ten que facer", manifestou Feixoo. O presidente galego deixou claro que Galiza "non vai consentir, en ningún caso" que as galegas perdan os "370 millóns que se lle deben de 2019" e que isto é unha "deslealdade institucional sen precedentes". "Ímonos a defender con todos os dereitos que nos ampara a lei e todos os dereitos que emanan da Constitución", sinalou, para subliñar que "non é un tema para tomarse de broma". A viceportavoz do grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil afirmou que "se Feixoóo quere defender os intereses de Galiza debe deixar de chorimicar e reclamar por vía xudial o que o Estado non quere pagar". Rodil lembrou que en setembro de 2019, o BNG defendeu no Parlamento galego recorrer á vía xudicial para reclamar do Estado a débeda con Galiza e o Partido Popular votou en contra da iniciativa nacionalista impedindo que prosperara. Sobre a débeda do Estado tamén se pronunciou a portavoz do Grupo Común da Esquerda Luca Chao, quen expresou a súa "preocupación". "Somos firmes: o diñeiro que corresponde a Galiza segue correspondendo a Galiza goberne quen goberne no Estado", aseverou antes de instar ao Executivo composto por PSOE e Podemos (partido ao que pertence) a "habilitar os mecanismos" para o abono das devanditas cantidades á Administración galega. Chao lembrou que "foi o PP co señor (Mariano) Raxoi da man do señor (Cristóbal) Montoro o que modificou a lei do IVE". Mentres que a viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil afirmou que "se Feixoo quere defender os intereses da Galiza debe deixar de chorimicar e reclamar por vía xudicial o que o Estado non quere pagar", pero non o fai porque "supedita os intereses da Galiza á estratexia do PP en Madrid". Na mesma liña, o portavoz de En Marea, Luís Villares, subliñou que "ese diñeiro correspóndelle a Galiza", pediulle ao PSOE que "faga os deberes de reformar a normativa" e ao PP que "recoñeza que meteu a pata cando tiveron oportunidade".
NOS_48029
A formación nacionalista realiza este domingo o conclave que dá inicio ao proceso de refundación do BNG, o inicio dun novo tempo para o nacionalismo galego.
Ás 10h dará comezo en Palexco (A Coruña) unha das citas clave do nacionalismo galego: a XV Asemblea Nacional do BNG, que se desenvolverá nunha única xornada baixo o lema Autoorganización, autogoberno, autodeterminación e na que se prevé que participen arredor de 3.000 militantes, pois este é o número de persoas inscritas no conclave que espertou unha grande expectación por supoñer o punto de partida da refundación do Bloque. Na Asemblea elixiranse os novos órganos de dirección e aprobaranse os textos políticos a debate. Así, na sesión de mañá terá lugar o debate do informe do Consello Nacional saínte, as emendas e o relatorio. Xa na sesión da tarde, terá lugar a escolla do novo Consello Nacional e da portavocía. Prevese que a clausura do conclave teña lugar contra as 19h. O BNG encetará a súa refundación baixo o dereito de autodeterminación, a defensa da democracia e das clases populares e a necesidade de autoorganización Da cita deste 28 de febreiro partirá o proceso de refundación da organización frontista que abrirá un novo tempo para a forza política, que admite que a situación política é crítica e que é preciso abrir un debate sen tabús. O BNG encetará a súa refundación baixo as seguintes premisas: o dereito de autodeterminación, a defensa da democracia e dos intereses das clases populares e a necesidade de autoorganización e non dependencia nas relacións da Galiza. A cita electoral de outono, cando terán lugar previsibelmente, os comicios galegos tamén deixará o seu pouso na xornada deste domingo. E é que o relatorio político que se debaterá e se votará durante a mañá apóstase nunha ampla candidatura de orientación nacionalista e por explorar acordos postelectorais. Pola contra, as autoras dos votos particulares –as emendas á totalidade- que se debaterán na asemblea –os das deputadas Carme Adán e Tereixa Paz e o da membro do Consello Nacional saínte Alba Nogueira- avogan por explorar alianzas estratéxicas alén do nacionalismo. Dúas listas ao Consello Nacional Amais do anterior, a Asemblea Nacional do BNG elixirá novos órganos de dirección, para o que se presentaron dúas listas. A primeira das candidaturas en darse a coñecer foi a proposta polo Consello Nacional saínte, encabezada por dúas mulleres, Ana Pontón, deputada no Parlamento galego, e Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña. A outra candidatura é a encabezada por Carlos Branco Ansoar e por Raquel Suárez, ambos os dous edís no Concello de Boiro, e da que forman parte unha vintena de militantes da comarca da Barbanza. Nunha conversa con Sermos Galiza, o propio Carlos Branco apuntaba que a candidatura lle achegaba "pluralidade e riqueza ao BNG, valores que non todas as organizacións teñen". A lista que parte con maior apoio é a encabezada por Ana Pontón, que posibelmente será a primeira muller en encabezar o BNG e unha formación política política de relevancia na Galiza. Esta lista, como ela mesmo apuntou nunha entrevista con Sermos Galiza após se coñecer a súa candidatura, caracterízase pola renovación, pois das 15 persoas que se candidatan á Executiva Nacional, un total de 10 nunca participaran no órgano de dirección. Entre ambas as candidaturas non existen desacordos en cuestións básicas para o proxecto nacionalista En base ao regulamento da XV Asemblea Nacional do BNG, as listas ao Consello Nacional poderían sufrir mudanzas até as 10h da mañá do propio domingo. Entre ambas as candidaturas non existen desacordos en cuestións básicas para o proxecto nacionalista, como son a necesidade de iniciar unha refundación e de garantir un espazo electoral autónomo para o nacionalismo galego, con independencia de posíbeis alianzas após as eleccións.
NOS_7732
José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez son dous dos grandes símbolos da resistencia ao fascismo na Galiza pero tamén da brutalidade do réxime franquista.
O 6 de outubro de 1948 foron executados na Coruña a garrote vil José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez. Un e outro militantes do Partido Comunista de España (PCE), chegaron a Galiza á volta de 1944 co obxectivo de reorganizar o partido e a actividade guerrilleira. Gómez Gayoso, natural de Maceda, dirixente do PCE na Galiza durante o período republicano, comisario da cultura do exercito popular, compañeiro de viaxe de Castelao nunha visita a Unión Soviética, exiliado en Cuba e na República Dominicana vai ser nomeado secretario xeral dos comunistas galegos. Seoane Sánchez, nado en Boiro e criado na emigración Arxentina, adherente da Federación de Sociedades Galegas e politizado de xeito tardío ao calor dos acontecementos da Guerra Civil, decide deixalo todo e entregarse á loita na Galiza, acadando á máxima responsabilidade do Exército Guerrilleiro da Galiza. Os dous anos e medio que se manteñen á fronte a resistencia armada na Galiza van coincidir cun período de grande actividade guerrilleira pero tamén de conflitos internos, algúns dos cales precisan aínda hoxe de aclaración e reparación. A caída de José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez a mans da policía en 1948 significa un punto e aparte na historia da oposición á ditadura na Galiza. A súa detención vai provocar ao tempo o apresamento doutros militantes comunistas como Juan José Romero Ramos, José Bartrina Villanueva, José Rodríguez Campos, Juan Martínez Montero, Luís García Jiménez, Clementina Gallego Abeledo, María Blázquez del Pozo, Carmen Orozco Muñoz e Josefina González Cudeiro. "Gómez Gayoso e Seoane Sánchez antes de ser condenados a morte van sufrir duras torturas na comisaría coruñesa" Gómez Gayoso e Seoane Sánchez antes de ser condenados a morte van sufrir duras torturas na comisaría coruñesa. Segundo sinala Gayoso nunha carta enviada desde o cárcere, "teño o intestino e estómago esnaquizados e os pulmóns non cesan de vomitar sangue". "O que comigo e Seoane fixeron, é difícil de relatar e, a fin de contas, non paga a pena relatarvos as atrocidades que con nós cometeron", continúa Gayoso, cuxa morte e máis a de Seoane van acadar un carácter mítico para o antifascismo.
NOS_56988
Iván Suárez, premio Castelao de Banda Deseñada, será o responábel gráfico da obra, que editarán Através Editora e Demo Editorial.
Ricardo Carvalho Calero terá o seu espazo no mundo da novela gráfica a través dun proxecto impulsado por diversos autores e apadriñado por Através Editora e Demo Editorial. Xico Paradelo, Irene Veiga e Iván Suárez están a cargo desta iniciativa, que propoñen como "unha viaxe no tempo até o Ferrol de comezos do século XX, no que o neno Ricardo Carvalho Calero naceu". Ricardo Carvalho Calero. Coraçom de Terra preséntase como unha obra de ficción, pero toma a súa base de feitos reais e recolle textos do propio autor para ilustrar a vida do homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020. A novela gráfica contará, ao longo de máis dun cento de páxinas e diferentes capítulos independentes, unha serie de etapas e efemérides transcendentais da historia de Galiza nos que o intelectual tivo o seu papel. A historia comeza en Lisboa no 96, nunha realidade alternativa na que 'Don Ricardo' vai tomar a palabra no acto da fundación da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa, imaxinando como a súa vida se o pasado transcorrese de forma diferente. Con textos de Xico Paradelo, en colaboración con Irene Veiga e Carlos Rafael, a obra ofrécenos un retrato do galeguismo dos anos 20, a Xeración Nós, a Guerra Civil e a represión ou a chegada da lingua ao mundo universitario, e propón unha reflexión a partir da traxectoria vital do intelectual ferrolán sobre a construción da lingua e a cultura actuais. O responsable gráfico do proxecto é Iván Suárez, artista recoñecido en 2011 co Premio Castelao de Banda Deseñada pola obra 'Titoán', publicada por Demo Editorial. O proxecto contará, ademais, cunha campaña de 'crowdfunding' a través da plataforma 'Verkami' coa que buscan a colaboración de calquera particular interesado, e que arrincará eesta sexta feira.
NOS_47059
Milleiros de galeg@s botáronse hoxe ás rúas para defenderen un dereito humano elemental, o dereito a unha vivenda digna. A convocatoria facíaa Stop Desafiuzamentos. Vídeo acto final en Compostela.
Cidades e vilas galegas viviron hoxe a maior protesta cidadá contra os desafiuzamentos da súa historia. Ferrol e A Coruña pola mañá, Vigo, Compostela, Lugo e Ourense pola tarde xunto a Cangas que a organizou ás 20 horas, milleiros de galegos e galegas saíron á rúa para denunciar o acoso dos bancos a aquelas persoas que por diversos motivos non poden cargar cos pagos da súa vivenda habitual. Nas marchas de hoxe, convocadas polas diferentes plataformas Stop Desafiuzamentos de Galiza, berrouse "non son suicidios, son asasinatos" en relación ás mortes que tiveron lugar os últimos meses. Goberno e bancos tamén levaron a maior parte das críticas con frases como "hai que desafiuzar o Partido Popular" e "nin casas sen xente, nin xente sen casas". A manifestación de Compostela pasou a poucos metros do Parlamento galego, ocasión que aproveitaron moitas persoas para lanzar consignas contra a corrupción. Na da Coruña, realizada pola mañá, @s manifestantes remataron diante da vivenda de Aurelia Rey, unha muller de 85 anos que queren desafiuzar por non pagar un mes de alugueiro. "Solucións para as afectadas" As marchas galegas coincidiron coas que se realizaron noutras cidades do Estado Español. A Plataforma Stop Desafiuzamentos exixe dación en pagamento retroactiva, aluguer social e que se paralicen os desafiuzamentos. Nun manifesto distribuído nas marchas de hoxe sinalan que "a vivenda é un dereito fundamental sistematicamente vulnerado polo Estado" e denuncian "a situación dramática de milleiros de familias que non poden pagar a hipoteca ou o alugueiro, que son desafiuzadas, vítimas dunha estafa hipotecaria". A Plataforma asegura que as demandas da ILPpresentada esta semana "son de mínimos" e que "non aceptarán rebaixas". A reivindicación continuará pedindo solucións para afectadas e afectados.
NOS_30979
Delegados e delegadas da CIG-Industria mobilizáronse en defensa do sector industrial e, nomeadamente, de sectores estratéxicos para a economía galega como o da industria electrointensiva, o sector naval ou o sector da automoción.
Desde 2009 a hoxe no sector industrial galego hai 20.000 traballadores e traballadoras menos. A situación actual do sector non convida ao optimismo: crise da industria electrointesiva (Alcoa ou Ferroatlántica de Cee e Sabón); ERE de Citröen ou os ERE da industria auxiliar do automóbil; o anuncio do peche de Poligal e da Central Térmica de Meirama… Para a CIG-Industria, son exemplos do proceso de "desertización industrial" que desde hai anos "veñen provocando as políticas neoliberais, executadas sen miramentos, polo Goberno galego e polo Goberno español". Para denunciar esta situación e para defender "industria e emprego" na Galiza, delegados e delegadas da CIG-Industria percorreron esta cuarta feira as rúas de Compostela, desde a facultade de Dereito da USC até a Xunta. A mobilización desenvolveuse ao remate dunha asemblea nacional na que se debateron as alternativas que a central nacionalista vén defendendo nas institucións e nas rúas a respecto deste sector. Falsos autónomos, empresas multiservizos, ETTs ou centros especiais de emprego, entre outras que "están a fomentar un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora Na asemblea, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, retratou a "grave situación" na que están traballadoras e traballadores onde "32% non chegan ao SMI, aos 700 euros e máis de 302.000 traballadores e traballadoras menores de 36 anos non chegan ao salario medio anual galego que, xa de por si, está 15,5 puntos por baixo da media estatal". Denunciou as novas formas de explotación laboral introducidas coas reformas laborais: falsos autónomos, empresas multiservizos, ETT ou centros especiais de emprego, entre outras que "están a fomentar un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora e un afondamento das discriminacións de xénero". Mais tamén que 71% da ocupación é no sector servizos, "paradigma das contratacións temporais, das contratacións que duran horas, semanas, máximo un mes". Propostas Carril lembrou como desde o sindicato se apostou en facer propostas e alternativas, citando o Programa da CIG en materia laboral e social; as 100 Medidas para a Criación de Emprego en Galiza; a Proposta para unha Tarifa Eléctrica Galega ou as medidas para a xestión pública dos saltos e aproveitamentos hidroeléctricos en Galiza, todas elas Iniciativas Lexislativas Populares promovidas pola central. Xunto a isto defendeu un Plan de industrialización desde o sector público que "potencie e vertebre a industria galega, que priorice os investimentos feitos por forzas sociais galegas fronte aos investimentos estranxerias". Unha industrialización, explicou, na que a explotación dos moitos recursos que hai en Galiza estean ao servizo de crear emprego, completar os ciclos produtivos, aumentar o valor engadido en sectores básicos da nosa economía, diversificar as nosas capacidades industriais, procurar un mellor equilibrio territorial e medioambiental e "ao servizo dunha rendibilidade social e non privada".
PRAZA_18090
ENTREVISTA O cantautor Emilio Rúa grava un disco de duetos con grandes da música coma Víctor Manuel ou Rosa Cedrón.
Rozalén, Javier Álvarez, Víctor Manuel, Josele Santiago ou Rosa Cedrón. Son só algúns dos "grandes" da música que acompañan a Emilio Rúa no seu novo disco: un conxunto de 16 duetos nos que trae ao galego voces ben coñecidas do panorama musical en castelán ao mesmo tempo que revisa unha parte do seu propio repertorio. Falamos con el deste proxecto, que presentará na Cidade da Cultura o venres 21 a partir das 21:00 horas nun concerto no que cantarán con el Víctor Manuel, Rosa Cedrón e Vicky Gastedo. Quen é o tal Blanco que che deu a idea de facer este disco? É o manager de Siniestro Total, que ten a empresa Nalgures Producións. Foi el quen me deu a idea de facer un disco de duetos, sen darme nomes nin nada. A partir desa idea eu empecei a maquinar… e el ben sabía que, co cabezudo que son, ía sacala adiante. Mais é un proxecto que vén xa de bastante atrás. Polo medio estivo o teu anterior disco, Querida alegría. Supoño que o que fixo que tardase foi o traballo de produción… Pasou tempo desde que comecei a maquinar, si. O primeiro foi pensar as cancións e comezar a pensar quen podería interpretar cada unha, quen podería encaixar mellor. Cando xa tiña as cancións claras, o primeiro contacto foi con Víctor Manuel, a quen lle propuxen cantar comigo un tema meu. Pero ao final acabei versionando un tema del, Canción pequena, que é pouco coñecido. Despois fun contactando co resto. "O primeiro contacto foi con Víctor Manuel, a quen lle propuxen cantar comigo un tema meu. Pero ao final acabei versionando un tema del" Non coñecía a ningún: só a Rozalén, coa que coincidira no Festival da Luz, pero tampouco falaramos máis desde aquela. O que máis traballo me deu, si, foi chegar a todos eles, como dis. Despois había cancións que perfeccionar, cousas que mudar… pero si, o que fixo que o proxecto tardase foi iso. Cando tiñamos xa 16 persoas comezamos a gravar. E a gravación foi, supoño, tamén un traballo de produción grande. O disco está gravado en Barcelona, Málaga, La Habana, Madrid, Vigo, Ourense… Eras ti quen se desprazaba, supoño. En Madrid gravamos bastantes, como seis ou sete deles, porque estaban en Madrid ou perto. Outros dous en Barcelona, outros dous en Málaga, outros dous en Valencia… Despois mesturamos en Baeza, Jaén. Era eu quen se movía para gravar, si, porque era o que máis sentido tiña. Primeiro gravamos as bases e despois comecei a desprazarme eu para gravar con cada colaborador. Así, ademais, era máis fácil para min explicar o que quería, como o quería… E foron todos tan receptivos coma Víctor Manuel? Pois… si. Supoño que tamén porque, como tiña o si de Víctor Manuel, foi xa máis fácil chegar aos outros. Resultáballes, ademais, chamativo. Imaxina: pero como conseguiches a Víctor Manuel? Ou a Pablo Milanés, que tampouco é, precisamente, calquera. Estou moi satisfeito de que lles gustase o que eu lles propoñía… A ver, tamén hai xente que dixo que non. Mesmo a algúns non conseguín chegar. Ademais, a min gústame facer as cousas por min mesmo e non andar molestando para que me axuden a chegar a tal persoa… Non sei, niso si que podería dicir que quizais debería ser máis fácil, entre artistas, chegar uns a outros. Despois poderá interesarche o que che propoñen ou non… "Si que podería dicir que quizais debería ser máis fácil, entre artistas, chegar uns a outros" Sei que hai xente que dixo que non porque hai nomes que estaban anunciados, -nos que pensaras ao principio, sen ter nada confirmado-, que non están. Si, claro, algún dixo que non, pero tampouco foi tan malo. Eu entendo que estaban cos seus proxectos, que non lles encaixaba… Pero polo menos animáronme a seguir, que tamén é algo importante no mundo artístico. Algúns temas do disco son cancións moi coñecidas, como Iolanda de Pablo Milanés. Conseguiches traer ao galego a Pablo Milanés, a Javier Álvarez, a Josele Santiago… coas súas propias voces. Era parte da idea? Era a intención, claro. E a verdade é que todos querían facer o dueto en galego, porque lles gustaba a idea, porque para eles era unha maneira de facer algo diferente… A algúns insistinlles eu en que o fixesen en castelán, porque tamén me apetecía que estivese o castelán. E, non sei, levar temas como Iolanda ao galego penso que ten tamén algo de xogo, de proposta divertida, diferente… É unha maneira de cambiar. "A verdade é que todos querían facer o dueto en galego, porque lles gustaba a idea, porque para eles era unha maneira de facer algo diferente" Sempre que se traduce unha canción que estás afeito a escoitar no idioma no que foi concibida, pode soar raro. Pero é que ademais supón un traballo técnico de adaptación… Non é o mesmo dicir "te amo" que "ámote". Pode parecer unha parvada, pero para cantar non o é. Si, pode soar raro escoitar noutro idioma o que estás afeito a escoitar doutra maneira. Pero tamén é verdade que, a forza de escoitala, xa che encaixa. Eu procuraba esquecerme de que eran cancións en castelán e centrarme na versión en galego. E si que é verdade o que dis: en Abrázame, por exemplo, que é de Julio Iglesias e Rafael Ferro, ao dicir "soedade" en lugar de "soledad" soaba rara a rima, pero o que che digo: é só escoitar unhas cantas veces. Levas ao galego cancións doutros artistas, que eles cantan contigo en galego. Despois levas ao castelán temas teus -outros mantelos en galego-. Era un pouco ese o xogo? En parte si. Hai temas que sempre estiveron en galego e que neste disco están en galego, coma Vida miña, En terra de lobos ou Coroza. Pero Búscame naceu en castelán, só que o adaptara ao galego para gravalo en Vida miña. Neste disco de duetos apeteceume que estivese en castelán, como nacera. Eva sen Adán naceu en galego e neste disco está en castelán. Noutros casos, fixen o tema directamente en castelán: Fósforo bronce, El parnaso de los sueños, Extinción e Cosa maravillosa. Nas letras, que teñen un aire poético, está moi presente a natureza. E, ao lado dela, as sensacións. Por que? Pois es a primeira que se fixa pero, si, para min é algo moi importante na miña música. E supoño que se explica polo lugar de onde veño, As Vendas da Barreira, en Riós. É o meu mundo, desde pequeno. Sempre que podo vou ao monte correr… Penso, ademais, que a natureza ten as respostas a todo o que estamos a facer. A natureza é moi importante para min. E penso que iso está ben reflectido no tema Cosa maravillosa, en especial… "Penso que a natureza ten as respostas a todo o que estamos a facer" Tamén están moi presentes os afectos. O amor, e supoño que o desamor. Non sei se non serás un romántico, no sentido popular da palabra. Eu diría que o amor si, pero non sei, o desamor… Entendo que o amor conleva esa parte, pero en realidade do que quero falar é de amor. Supoño que será tamén porque eu levo toda a vida coa mesma persoa ao meu lado. Se me puxese a falar de desamor estaría a faltar á miña propia verdade… E sempre tento ser fiel, no que escribo, á miña propia experiencia. Dicía o do desamor por temas coma Se ti te vas, que a citabamos antes. Tanto se te vas agardarei a que volvas e ese tipo de discurso… pode resultar algo cargante. Refírome ao tópico do amor desesperado… Pero esa letra non é miña! Falamos antes dela: é de Julio Iglesias. O que quixen foi facer unha versión en galego. Nun principio ía estar en castelán, pero despois decidín facer unha versión en galego, para que fose diferente. Nun principio, ademais, pensei que non ían darme permiso pero, contra o que eu esperaba, déronmo. Afástate fala do difícil que pode ser estar con alguén que se dedica á música, sempre a facer cancións… Pero non deixa de ser un canto de amor. Pode ter un toque máis negativo ou triste, pero en xeral penso que as cancións do disco non falan de amores desesperados. Outra idea que se desprende do disco é a da busca da calma no medio do caos. Varios temas falan de fuxir dalgunha maneira. Iso está sempre no meu traballo. Tal e como está o mundo, supoño que ao final é normal plasmar esa necesidade de buscar un oasis onde non parece posible atopalo. Por iso esa idea de evasión, de poder respirar un pouco. En canto á música, non é unha voz e unha guitarra, por se alguén agarda iso ao identificarte coa etiqueta "cantautor". Hai guitarras, piano, harmónica, percusión, teclado, violín, arpa… Tes varios colaboradores na música, non só nas voces. E hai algo de pop, algo de country... Desde un principio dixeron que eu era cantautor, e si é verdade que me identifico con iso. Ás miñas letras tento darlles o meu sentido poético propio, e penso que iso dálle coherencia ao meu traballo, en todos os discos. Tento facer cousas que me gusten e que á xente lle "entren" ben. Ás veces, a regra máis simple é a máis eficaz. Quero dicir, que me interesa a sinxeleza. Pero tamén me considero músico e, nese aspecto, neste disco quixen fuxir do sobrearranxado, que fose todo lineal, que fose un apoio ao meu piano e a miña guitarra, que é a parte máis "cantautora". "Ás veces, a regra máis simple é a máis eficaz" Que instrumentos tocas ti no disco? Guitarra e pianos -case todos, menos en Iolanda e Búscame-. Todo o resto: batería, baixo, violín, arpa, etc, son pinceladas. Como che dicía, non quixen facer arranxos complicados nin rebuscados. O máis importante para min eran voces. "O máis importante para min eran voces" Creo que te define ben o que dis da sinxeleza. Así son as túas cancións. Moi sinxelas. Dentro do complicado que é facer unha canción, si. Tamén é algo que teño en conta nas letras. Gústanme as cancións simples, a poder ser de non máis de dous minutos. Non fai falta repetir o retrouso un monte de veces… O que pasa é que estamos moi afeitos á estrutura de introducción-estrofa-estribillo… Por iso pode ser difícil facer cousas sinxelas… E como iso de que comezaches con sete anos nunha orquestra? Pois foi unha odisea. Do mellor que me pasou na vida… Na miña familia somos cinco irmáns. Eu son o pequeno. Meu pai, que sempre foi músico, ademais de construtor, albanel… ensinounos música, mandounos ao conservatorio… e despois decidiu montar unha orquestra con nós. Empecei aos sete anos e estivemos oito anos tocando. Foi a mellor maneira de saber o que é a música, o duro que é ser músico… Fixen, ata agora, oito discos, e o último tema de Duetos leva tres notas de saxo de alguén moi especial: meu pai. Que toca cos seus 83 anos. Nun disco de duetos cos grandes, este é un dueto moi especial para min, cun grande que é meu pai. "Empecei aos sete anos e estivemos oito anos tocando. Foi a mellor maneira de saber o que é a música, o duro que é ser músico…" Supoño que algo que hai que deixar claro é que este non é un disco de versións, dun mozo de Ourense que fai duetos con famosos. A maioría dos temas do disco son teus. Quen non me coñeza, se investiga un pouco xa se dá conta. Quen coñeza un pouco a miña traxectoria sabe que versións fago algunha nos meus discos, pero a maior parte dos temas son meus. Hai un tema en portugués. O disco ten, tamén, un pouco diso, de intercambio galego-castelán-portugués. Pois Você ía estar en castelán, pero non conseguín o permiso. Cántaa comigo La Shica, que parece brasileira ao cantar, pero é de Málaga. O resto, menos Milanés, cantan comigo en castelán ou galego. Pablo Milanés é cubano pero ten relación con Galicia, igual ca Josele Santiago. Onde gravou Milanés, aquí? Non, na Habana. Eu mandeille todo alí e foi todo moi ben. A verdade é que me deron todas as facilidades posibles. Duetos ten, ao mesmo tempo, algo de repaso da túa traxectoria, porque En terra de lobos e Eva sen Adán estaban no teu anterior disco Destino Sur; Tristeza en Despois de ti, a chuvia; Vida miña e Búscame en Vida miña e Coroza en Interior. Si, o disco é coma un breve repaso, nese aspecto. Non me apetecía facer todo temas novos, tamén porque hai temas que pensaba que debían coñecerse máis. Quedaron algúns que xa non puiden meter. Para a próxima se cadra… E xa que fas ese repaso, como ves desde a perspectiva de agora os primeiros discos? Como dirías que foi a túa evolución? Cando gravei o primeiro disco non vía moi posible facer un segundo. Cando gravei o segundo non sabía se ía poder facer un terceiro… e así cheguei aos oito que teño agora. Hoxe tamén cambiaron moito as cousas na música: podes gravar doutra maneira, noutras condicións. E cando empecei non imaxinaba que ía acabar gravando un disco de duetos con grandes da música… o cal me fai pensar que, se iso foi posible, é porque algo ben fixen. Iso en canto a evolución. Polo demais, sigo a facer cancións como as fixen para o primeiro disco. Como dicía antes, cancións sinxelas… "Cando empecei non imaxinaba que ía acabar gravando un disco de duetos con grandes da música… o cal me fai pensar que, se iso foi posible, é porque algo ben fixen" Dixeches noutras entrevistas que a industria musical non apoia os cantautores. Non sei se é certo. Se cadra o que pasa é que non se lles chama cantautores. Agora parece que o público está apoiando un pouco máis pero, si, hai músicos moi coñecidos aos que lles chaman unhas veces cantautores, outras cantantes… Se a barreira é esa, o nome, sería unha cousa triste… Pero o que penso é que a figura do cantautor non vai morrer nunca. Se cadra tamén o que pasa é que, no noso imaxinario, "cantautor" era o que facía canción protesta nos 70 coa súa guitarra. Claro, mais, a quen fai as súas propias cancións, como lle chamas? A figura do cantautor non vai desaparecer, non se pode prescindir dela. Pero é un concepto que tamén ten que evolucionar. Xa non é coma antes. A situación non é a mesma. Pero si falta que as discográficas apoien máis este tipo de música. Ocorre que as discográficas xa non son coma antes: xa non pensan no longo prazo. Despois, sobre o que dis do aspecto político, nas miñas cancións está por exemplo a defensa do rural, a crítica ao seu despoboamento… Que tamén é unha forma de denuncia e de protesta. Mais dito isto, é verdade que a política non é un tema do que me ocupe demasiado. Ou os políticos, máis ben. "A figura do cantautor non vai desaparecer, non se pode prescindir dela. Pero é un concepto que tamén ten que evolucionar" É habitual, en Galicia, sentirse pouco recoñecido como artista. Ti sénteste valorado, despois de tantos anos? Si que me sinto valorado, por parte da profesión -dos músicos- e da cultura, en xeral. Tamén é de recibo, despois de todos os anos que levo. Despois, en canto a público, ás veces non ten sentes recompensado, porque en Galicia temos tendencia a valorar máis o de fóra. Pero o importante é a traxectoria, o que fas, o que cantas e como… "Si que me sinto valorado, por parte da profesión -dos músicos- e da cultura, en xeral" Dixeches por aí que es bastante músico de bares. E a moita honra, poderiamos dicir. Mais, que tipo de locais prefires para tocar e onde adoitas facelo? Traballo bastante para concellos, para institucións en eventos… Non toquei en grandes festas -en Ourense si, claro- pero si en festas máis pequenas… Un pouco de todo. O meu repertorio é bastante variado e iso tamén o valoran á hora de contratar. Valoran o meu caché. A bares volvería, pero sempre que poida tocar nunhas condicións dignas e non ante un público que o que quere é só falar coa persoa de ao lado… Tamén é importante iso: ter un caché e non baixar. Non ir tocar nas condicións que sexa. Si, claro, tes un caché, e podes axustalo dependendo de ata que punto e de quen cho pida, de para que sexa. Pero sempre hai que procurar traballar nunhas condicións dignas. "Sempre hai que procurar traballar nunhas condicións dignas" Que se poderá escoitar no concerto de presentación de Duetos? Os 16 temas do disco máis un tema máis con cada un dos cantantes que me acompañarán: Víctor Manuel, Rosa Cedrón e Vicky Gastedo. Por certo, que Víctor Manuel canta contigo no teu disco e ademais convidoute a cantar con el nun concerto seu. Si, e foi un detallazo enorme. Cantar con el e ademais cantar en directo con el no Luar. Víctor Manuel tivo ese detalle, e actuou cunha humildade que xa quixeran outros.
NOS_41849
Xavier Vence foi elexido portavoz nacional cun apoio case que unánime, 1.215 votos a favor, 9 en contra e 44 abstencións. E no seu primeiro discurso como portavoz nacional defendeu camiñar cara a un estado propio e unha sociedade inclusiva. E para iso, ilusión, diálogo e traballo, aconselleu. "Temos que partillar unha folla de rota con todas as forzas nacionalistas para erguer un movemento multicor soberanista"
Xavier Vence deu o seu primeiro discurso como novo portavoz nacional do BNG. Fíxoo ante máis de 2.000 persoas, que ateigaban o Palacio de Congresos de Compostela onde decorreu a XIV Asemblea Nacional da fronte nacionalista. E non foi un discurso curto: foron 54 minutos dunha intervención densa e con diferentes mensaxes e lecturas que se entrelazaban nun punto común: a soberanía. Un discurso no que o novo portavoz recoñeceu que esta fora "unha asemblea moi especial", lembrando que "temos moitos retos, dentro e fóra" e que "moita xente agarda no país resultados desta Asemblea Nacional". As primeiras palabras do novo portavoz nacional foron tanto para amosarse orgulloso das persoas que o acompañan na nova travesía no Consello Nacional e na Executiva ("este país ten futuro") como para agradecer a Guillerme Vázquez o traballo que desde hai catro anos e até este domingo desenvolveu nese posto: "Tivo que tripular esta nave en tempos difíciles. Fíxoo con xenerosidade". "Non somos, nen fumos nen seremos autonomistas: somos soberanistas" Xavier Vence fixo unha defensa da soberanía nacional como a ferramenta de loita e combate contra a crise e de construción do futuro para Galiza. Lembrou que o nacionalismo é soberanista desde a asemblea de Lugo de 1918 e enfatizou: "Non somos autonomistas. nen o fumos,nen o seremos. Somos soberanistas". E engadiu que a folla de rota do BNG pasa pola construción dun Estado propio e atinxir unha sociedade inclusiva. "Soberanía, dereito a decidir, Estado propio". E para atinxir ese obxectivo, hai que articular un amplo movemento social e político no que se inclúan a todos os soberanistas. "Temos que convencer a certo nacionalismo de que a soberanía non é algo só cultural ou identitario. É gobernarnos nós mesmos, sen dependencias alleas". Tamén se referiu aos "amigos" que din que a contradicción principal é esquerda/dereita, perguntándolles "onde cren que van loitar contra esa contradición: en Alemaña, en Estados Unidos?... non, en Galiza". Neste punto, Vence sinalou, con retranca, que había "moito Trotski e Toni Negri" mal entendido. Sen complexos Mais non foi o discurso de Vence un discurso para erguer diferenzas, senón un apelo aos nacionalistas a atopar puntos en común para avanzar no proxecto soberanista. E para iso, o novo portavoz apuntou tres eixos: no social, nas alternativas sectoriais e no institucional. Espazos para confluír en clave soberanista movementos políticos, sindicais, estudiantís, sociais,...en clave soberanista. "Temos que partillar unha folla de rota con todas as forzas nacionalistas para erguer un movemento multicor soberanista". "Ofrecer en todos os campos que temos alternativas e solucións, e que somos quen de facer outra política". Neste sentido, fixo un chamamento a non ter medo de defender as ideas soberanistas. Citou Castelao ("petar na alma do pobo até conquerir un estado de opinión revolucionariol") mais tamén a Lenine ("paso a paso, mais só un pasiño diante do pobo") para defender que loita para atinxir a soberanía non se limita a berrar independencia, senón que debe pasar por traballar e "ofrecer en todos os campos que temos alternativas e solucións, e que somos quen de facer outra política". Galiza, pode Xavier Vence afirmou que a construción dun Estado propio non ten por que ser unha tolería, e puxo dados para rachar coa idea de que Galiza non pode ir por ese camiño. Así, sinalou que Galiza está entre os 100 países do mundo máis grandes en canto a poboación e entre os 50 cunha economía de maior volume. Datos para contrarrestar a idea de que un estado galego nacería fanado. "No BNG non sobra ninguén, todo o contrario, fai falla máis xente" Xa en clave interna, Xavier Vence afirmou que no BNG "non sobra ninguén, todo o contrario, fai falla máis xente" e apelou ao diálogo e a atopar puntos de encontro tanto dentro como fóra.
NOS_35092
Gonzalez de la Cuesta difunde un vídeo no que recomenda visitar unha web, que ten sido albo de criticas e denuncias por 'negacionismo'. O Sergas non tomará medidas e enmarca as declaracións na "liberdade de expresión".
Carlos González de la Cuesta é médico e o xefe de Alergoloxía do Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO). Un profesional sanitario que, nestes momentos de pandemia, grava un vídeo no que pon en dúbida as vacinas contra o coronavirus. "Non sabemos a súa seguridade real", di no vídeo, frase que contrasta cos informes e estudos que avalan a seguridade destes medicamentos. "É un experimento xenético", engade. O sanitario afirma que "hai moitas incógnitas" en torno a estas vacinas, polo que defende o "dereito a decidir se queremos vacinarnos ou non", dereito que existe xa que a vacinación contra a Covid-19 non é obrigatoria. "Hai interrogantes riba da mesa que non teñen resposta científica", manifesta o xefe da sección do CHUO. Recomenda visitar a web de 'Médicos pola Verdade', unha asociación que cuestiona a efectividade da vacina contra o coronavirus. O Sergas afirma que non partilla as declaracións do médico mais non adoptará ningunha medida contra o seu xefe de servizo no CHUO posto que "se producen ao abeiro da súa liberdade de expresión e non responden ao seu exercicio profesional ou vínculo con esta institución". Unha postura, a de Sanidade, ben distinta a que tomou contra unha xefa de servizo dun hospital, neste caso o Ávaro Cunqueiro de Vigo, á que cesou após as súas críticas á falla de material para o persoal sanitario.
NOS_37388
Son especies anfibias. Insectos de gran tamaño e de cores rechamantes que viven nas contornas dos ríos, charcas, lagoas, encoros e regatos. Os odonatos ou libélulas, coñecidas tamén como cabaliños do demo, son especies prexudicadas pola desaparición dos bosques de ribeira, a contaminación das augas e a introdución de flora e fauna alóctonas. Na Galiza viven de maneira estábel 52 especies. Tres figuran no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA), pero hai máis, non catalogadas, con poboacións moi miúdas tamén en perigo de extinción. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza.
"Observalas é moi complicado", apunta Martiño Cabana, membro do Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva da Universidade da Coruña. Nesta unidade traballan con libélulas extremadamente escasas, entre elas, as únicas galegas catalogadas até o momento como especies ameazadas, recollidas, á súa vez, na Directiva Hábitats. Dúas están en perigo de extinción, a Gomphus graslinii e a Macromia splendens. A primeira pódese ver en menos de dez lugares: en puntos das Rías Baixas, como as Gándaras de Budiño, no río Lérez e en zonas máis calorosas, como o río Sil. A Macromia splendens ten unha distribución similar pero máis ampla. Está presente nos ríos do interior das comarcas de Pontevedra e de Ourense, Avia, Arnoia e Vivei. A Oxygastra curtisii figura como especie vulnerábel. Boa parte das poboacións ibéricas desta especie están na Galiza. Comparten ríos de grande amplitude e corrente lenta: Tambre, Ulla e Miño. "As tres viven na contorna dos ríos, aínda que non é o hábitat onde máis abundan os cabaliños. As pozas de gran tamaño, as lagoas e as zonas húmidas de augas quietas son espazos con maior diversidade", explica Cabana. E aí, fóra do medio fluvial, tamén hai especies fráxiles. A Brachytron pratense vive en lagoas costeiras e, de novo, a Galiza alberga máis da metade das poboacións peninsulares. "O recheo das lagoas e a contaminación poden afectar negativamente a esta especie moi reducida", indica Cabana, que sinala outro grupo importante de libélulas escasas no país: a Aeshna juncea, a Sympetrum flaveolum e a Lestes sponsa, propias das zonas máis altas da montaña de Ourense e dos Ancares. "Están no extremo da súa área de distribución e poden chegar a sufrir o efecto do cambio climático. Un aumento das temperaturas pode producir a súa extinción", engade. [Podes ler a reportaxe íntegra no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
NOS_57787
Profesorado e alumnado manifestan o seu rexeitamento ás políticas de reducción de cadros de persoal que está a levar a cabo o Goberno galego.
Esta cuarta feira, profesorado e alumnado da Galiza estaban chamados a concentrarse ás portas dos seus centros educativos para pór de manifesto o seu malestar e o seu rexeitamento á política de recortes que o Executivo de Alfonso Rueda, a través da Consellaría de Educación, pretende levar a cabo. Docentes critican os "recortes" no inicio do curso académico e exixen melloras na "atención educativa" ao alumnado A convocatoria, impulsada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, estaba marcada para as 11.30 horas. En moitos centros de todo país, a comunidade educativa formada por alumnado, pais, nais e docentes saíu á rúa para exixir un incremento nos cadros de persoal e a redución de ratios nas aulas. Concentración no IES Virxe do Mar, en Noia. (Foto: Nós Diario) En centros como o IES Virxe do Mar, de Noia, integrantes do profesorado concentráronse na porta do instituto con carteis nos que criticaban a perda de docentes por decisión da Xunta e demandaban un "ensino público de calidade". Os docentes deste centro emitiron un comunicado o pasado 27 de xullo para mostrar publicamente o seu "profundo malestar, a súa indignación e o seu total desacordo" co recorte na cota de docentes asignada pola Consellaría de Educación no curso 2022/23. pic.twitter.com/74JlvhuQAz— Fernando de Cedeira 🌬 (@OTaranho67) September 7, 2022 Outro dos puntos quentes das concentracións desta mañá foi Cedeira, onde a veciñanza constituíu a semana pasada unha plataforma para mostrar a súa oposición frontal á decisión da Consellaría de Educación de reducir o número de profesores e de matrículas para este curso escolar que comeza no IES Punta Candieira. Concentración de CIG-Ensino Pola súa parte, a sección de Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG) concentrouse tamén na mañá desta cuarta feira ás portas do edificio administrativo da Consellaría de Educación en Santiago de Compostela. O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, volveu lembrar que este curso é o segundo, despois dos recortes producidos no anterior, "con maior redución de prazas desde que hai 13 anos asumiu o PP a xestión da política educativa da Xunta". Case 800 docentes menos: o BNG critica o "tesoirazo" da Xunta en Educación "Malia que o conselleiro non se cansou de repetir estes días que a cifra de profesorado se mantén estábel, os datos que o seu propio departamento publica, aínda que de forma escurantista, non deixan lugar a dúbidas", criticou Bermello. Neste sentido, o secretario nacional de CIG-Ensino subliñou que o ano pasado, segundo datos oficiais, houbo 869 docentes menos con respecto ao primeiro curso da pandemia e este, a falta de que a consellaría facilite as estatísticas oficiais, "evidencia que a tendencia dos recortes non cesa. Segundo a publicación dos destinos de carácter provisional, este curso hai 717 docentes menos nesta adxudicación". A Xunta define como "adecuación" dos cadros de persoal o "tesoirazo" de 800 docentes denunciado polo BNG "A redución é moi drástica, sobre todo nas etapas de educación infantil e primaria, que arrastran unha perda de 10% de efectivos desde a chegada de Feixoo ao poder, mentres que o persoal que traballa no ensino concertado incrementouse no seu conxunto neste mesmo período en perto de 6%", sentenciou Bermello.
NOS_1077
No mapa dos de Santiago Abascal Portugal e varias das súas ex-colonias aparecen como territorios españois.
Vox moveu polas redes sociais co gallo do 'Día da Hispanidade' un mapa do período colonial español no que inclúen como colonias Portugal e territorios que foran conquistados por Lisboa, o que non chistou nada aos seus amigos da extrema dereita lusa, representados no partido Chega. O seu líder, André Ventura, pediu "aclaracións" a Vox sobre a difusión en redes sociais o mencionado mapa. "Estamos en contacto con Vox e pedimos unha aclaración formal", dixo a medios lusos. Este caso pode "afectar as relacións entre os países e entre os partidos", acrecentou. E iso pouco O mapa alude a un período histórico no que Portugal formaba parte de España, recoñeceu Ventura, pero "podería ser evitado e debía evitarse porque é sabido que historicamente hai unha sensibilidade moi forte entre Portugal e España por este tema", engadiu. En 2020 Vox publicou tamén nunha rede social un mapa de toda a península ibérica baixo o lema "España existe". Ventura quere que Vox retire de circulación o mapa e que non volva incorrer neste tipo de situacións "con independencia da súa natureza histórica". O caso provocou tamén a protesta do presidente da Sociedade Histórica da Independencia de Portugal, José Ribeiro e Castro, que pediu a Vox unha "desculpa" co país polo que considerou unha "ofensa gratuíta". Non é a primeira vez que Vox inclúe Portugal en territorio español. En 2020 publicou tamén nunha rede social un mapa de toda a península ibérica baixo o lema "España existe". Entón, lembrou hoxe Ventura, xa esixiu desculpas a Vox sen resultado, aínda que a desavinza deuse por superado pouco despois.
PRAZA_12574
O ministro de Economía, Luis de Guindos, puxo en cuestión a gratuidade do sistema sanitario ao propoñer o pago dos seus servizos ás rendas máis altas. Foi pouco antes de que o Goberno anunciase un recorte de 10.000 millóns en sanidade e en educación. A Plataforma SOS Sanidade Pública, así como PSdeG e BNG, ven nas súas palabras "un globo sonda" que pretende "preparar a opinión pública para introducir o copago" e incluso o PPdeG se desmarca ao aclarar que en Galicia está asegurada "a blindaxe da universalidade sanitaria"
"Hai que mellorar no funcionamento, a Sanidade ten que ser xestionada correctamente". Manuel Martín, voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública, falaba así logo de enumerar unha serie de medidas que as administracións deberían tomar para racionalizar o gasto sanitario" sen eliminar dereito ningún á xente". No mesmo día, o Goberno, a través dunha cativa nota de prensa, anunciaba un recorte de 10.000 millóns de euros en educación e sanidade que incluirá "cambios, privatizacións, unha maior racionalización, eliminación de duplicidades e eficiencia na xestión dos grandes servizos públicos". Sen moita máis aclaración. De seguro, as medidas do Executivo pouco terán que ver coa proposta da Plataforma, pero se cadra algo máis coa proposición que o ministro de Economía, Luis de Guindos, fixera nunha emisora de radio só unhas horas antes. Apuntou que as rendas máis altas poderían pagar prestacións sanitarias, pediu "abrir o debate sobre a progresividade do pago" nos servizos públicos e incluso achegaba unha cifra, os 100.000 euros ao ano, como límite de soldo para ofrecer unha sanidade gratuíta. O PP, consciente do balbordo mediático e social das declaracións, saíu rápido ao paso para cualificar de "reflexión persoal" as palabras de De Guindos, insistir en que traballa por unha sanidade "sostible, universal e gratuíta" e aclarar que a progresividade en función da renda só se estuda "para os medicamentos". Fose como for, colectivos como a Plataforma SOS Sanidade Públicae a oposición en Galicia entenderon as palabras de De Guindos como "un globo sonda". "Están preparando a opinión pública para introducir o copago e rematar coa universalidade da asistencia sanitaria; saben que renunciar a certas cousas ten custos importantes ante a xente e se, a base de repetilo, a sociedade o vai vendo como normal, será máis fácil aplicalo", asegura Manuel Martín. "O PP está a marcar o terreo de por onde vai a súa intención nos recortes, o ministro deixou caer esta idea porque é o que partido pensa, non só a súa opinión persoal", asegura Miguel Ángel Fernández, parlamentario do PSdeG e experto en temas sanitarios, unha idea que comparte Ana Luísa Bouza, voceira de Sanidade no BNG. Até Miguel Santalices, portavoz do PPdeG no mesmo ámbito, quere pensar que o ministro "quería expresar que aínda hai cousas dentro do noso sistema sanitario que se poden por enriba da mesa". "En Galicia estamos no bo camiño para garantir o piar fundamental do noso sistema, que non é outro que a blindaxe da súa universalidade", aclara. "Están preparando a opinión pública para acabar coa sanidade universal" Non é tan ben pensada a oposición, que considera que o PP pretende "crear un sistema sanitario tendente á privatización". "O que agora deslizan os populares é dunha falta de seriedade absoluta, ademais de conducirnos cara a dous tipos de sanidade: unha para as persoas ricas e outras para as que non poidan acceder a ela", di Miguel Ángel Fernández. "Non é máis que dar un paso adiante en crear unha sanidade para ricos, con seguros privados e desgravacións fiscais, e outra non para pobres, senón para a maioría da sociedade, que é o 60% da xente que gaña menos de mil euros", engade Manuel Martín, voceiro da Plataforma, que cre que a idea do Goberno central "acabaría por rachar o concepto de equidade". A nacionalista Ana Luísa Bouza, pola súa banda, aclara que "xa existen fórmulas para que paguen máis os que máis teñen a través dos impostos". "Se o PP non é quen de subirlle os impostos aos máis ricos e incluso agora incorpora unha amnistía fiscal, é insultante e pouco crible que busque establecer o copago", denuncia, tras asegurar que "a mellor garantía da sostibilidade do sistema sanitario é a súa universalidade". "En canto as rendas máis altas teñan que pagar, deixarán de usar os servizos, pedirán desgravacións fiscais e empeoraranse as condicións, tal e como pasou no Reino Unido; deberiamos aprender dos erros que se cometeron noutros lados", engade, tras advertir que a dereita xa propuxo que "as rendas altas presenten un seguro complementario que lles dea acceso a unha carteira de servizos distintos", o que, na práctica, "consiste en excluír moita xente de determinados servizos". "O PP non é quen de subirlle os impostos aos máis ricos e agora busca establecer o copago" Tanto a voceira do BNG como o portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública, advirten que a proposta de De Guindos "suporía unha descapitalización da sanidade pública, xa que aqueles que máis achegan ao sistema deixarían de cotizar". E advirten, tamén, dos futuros recortes que se prevén co novo anuncio do Executivo de Rajoy nun Estado "cun gasto sanitario á cola da UE". "Que recorten nun país cunha sanidade tan eficiente non só non ten sentido, senón que non vai ser aceptado pola opinión pública", recorda Manuel Martín, que alerta xa de futuras mobilizacións ante unhas políticas "que teñen un forte rexeitamento na sociedade". "A xente non o vai tolerar e nós, como agrupación e plataforma, tampouco o consentiremos; intentaremos paralo e mobilizarémonos", di. Para a oposición e os colectivos a prol da sanidade pública, as palabras de De Guindos son "unha ocorrencia, algo ineficaz e unha barbaridade desde o punto de vista técnico". Manuel Martín, que coñece como poucos o sistema sanitario español, enumera unha serie de medidas que se poderían tomar sen rachar cos principios que rexen a sanidade estatal desde hai anos: "mellorar no gasto farmacéutico coa prescrición de xenéricos e coa adecuación correcta das medicinas, reducir a hospitalización necesaria, aumentar o número de camas de enfermos crónicos e reducinr as de agudos, promover a atención primaria, que pode atender moitas das doenzas que se transfiren aos hospitais...". En definitiva, "mellorar en eficiencia, pero sen empeorar nin a calidade nin as prestacións". "Hai marxe de mellora, pero debemos xestionar ben e evitar a influencia nefasta de laboratorios e da industria tecnolóxica, o que nos leva a asumir gastos innecesarios", recorda o voceiro dunha agrupación que en nota de prensa cualificou a fórmula do ministro como "a de Lehman Brothes porque cambiaría o modelo sanitario cara ao norteamericano". Ademais, desde BNG e PSdeG téñeno claro. Ana Luísa Bouza insiste en que "a única forma de garantir a sanidade é que se recaden máis impostos e que as prestacións sigan sendo gratuítas e con criterios médicos, non económicos". Para Miguel Ángel Fernández, "queda moita marxe por mellorar na xestión", pero aposta tamén por que se o que se precisa é "recadar máis, haberá que pensar no que faga falla, pero a través dos impostos, que é como se financia o sistema". Pola súa banda, Miguel Santalices, do PPdeG, cre que o sistema de saúde "ten un déficit moi importante que pon en perigo a cohesión do sistema", aínda que considera que Galicia xa fixo boa parte dos deberes. "O catálogo priorizado de medicamentos, que fora recorrido polo Goberno socialista, permitiunos aforrar 105 millóns de euros", lembra, ademais de fixar os obxectivos das novas actuacións, que poderían estar "na prestación farmacéutica dos hospitais" ou mesmo "vincular a achega do usuario na prestación farmacéutica aos seus niveis de renda". Preguntado de novo pola proposta de De Guindos, o voceiro popular asegura que se sente "con máis autoridade" para falar do ámbito galego e insiste en que "sempre é difícil interpretar o que quere dicir unha persoa".
NOS_20587
O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades exclúe dos seus Premios Arquímedes, destinados a traballos de fin de grao de calquera universidade do Estado, todas as linguas cooficiais que non son o castelán. Esta situación, que transcendeu a pasada semana, levou á Mesa pola Normalización Lingüística a esixir do ministerio que "non reproduza prexuízos e discriminacións" contra o galego.
Fíxoo nunha concentración perante a Delegación do Goberno, na Coruña, esta cuarta feira 11 de setembro. "Queremos liberdade para o uso da lingua propia", declarou o presidente da Mesa Marcos Maceira, quen foi contundente contra o Executivo central, ao que reclamou deixar de reproducir "unha certa consideración de inferioridade das linguas diferentes do castelán e das persoas que as utilizan". Os Premios Arquímedes estabelecen expresamente nas súas bases que as investigacións que opten ao galardón "deben estar redactadas exclusivamente en castelán". "Deste xeito, por riba da calidade e interese dos traballos", engadiu Maceira, "do seu rigor científico, do esforzo e valía demostrada polo estudantado, o ministerio prima a exclusión de linguas tan válidas como calquera outra para calquera actividade humana, tamén a científica, que son ademais oficiais nos seus territorios". Aínda a maiores o presidente da Mesa lembrou que, na Galiza, as universidades públicas teñen entre os seus obxectivos a "promoción e normalización" do galego. A situación no que respecta aos Premios Arquímedes vai "en contra do disposto no artigo 10 da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas, ratificada polo Estado español en 2001 e que se engade a outras trabas lingüísticas impostas pola administración educativa do Estado".
NOS_6344
Nuria investiu todos os seus aforros nun piso en Arteixo. A comezos de 2007 asinou a hipoteca. En marzo daquel ano entrou a vivir pero a casa sufriu unha inundación antes de poder meter os mobles. As cousas empezaron a ir mal. Perdeu o emprego, perdeu a vivenda, sufriu un ictus e quedou sen ingresos. Segue en preitos co construtor, co banco coa única axuda dun avogado que coñeceu na Plataforma do 15-M. Dez anos despois resiste grazas á nai e ao pai, dous pensionistas.
"Estou aquí, case de milagre. Si, pon iso. Pon que despois de todo sigo viva... quedei sen traballo, logo sen casa... ou foi antes o do piso? Non lembro ben, pasaron tantas cousas... perdemos o piso, perdémolos empregos, perdín a miña parella, quedei sen ingresos, perdín a saúde... inda que os médicos din que non me doe, que son cousas que teño na cabeza, a min dóeme. Que queren? Perdín todo e non lembro ben as datas, cando foi, que fixen... Que queres?Ao pouco de entrar no piso foi o da inundación, nin sequera metéramos os mobles. Rebentou todo, o parqué e as portas, e así pasamos meses. Metemos os mobles, si, pero era un piso novo. Os meus aforros. Empezou no 2007, en marzo..." O crac, o son da burbulla rebentando que derrubou empresas, proxectos e vidas, escoitábase xa daquela. Oficialmente, as estatísticas e despois os medios non deron conta da hecatombe até finais do ano seguinte. Pero para Nuria e outras miles de vítimas empezou antes. "Adiantei 24.000 euros e concedéronos unha hipoteca de 125.525 euros. Compramos en novembro do 2006. Asinamos a hipoteca na oficina do Popular en Vilarrodís. Despois, en marzo, pasou o da inundación. Reclameille ao construtor, o de Doficas, a empresa. Deunos largas. Deume un teléfono dunha aseguradora, pero alí dixéronme que non había ningún seguro. E o construtor: largas... Falei cun avogado na Coruña, Antonio, no 2009, foi quen me alertou de que alí había máis problemas". O edificio estaba denunciado desde o 2003 por irregularidades (nin licencia de primeira ocupación, nin para parte do garaxe, as alturas...). O Xulgado número 4 de Instrución da Coruña abriu dilixencias en 2004. No 2006 o TSXG sinalou un delito contra a ordenación do territorio polas alturas. No 2010 o xuíz pechou o caso por non apreciar nin delito nin infracción. Nuria ten todo escrito nun caderno. A súa historia non se conta en dous cafés, precisa axuda. Hai que ir ver ao avogado. Un edificio ilegal Pablo topouse con Nuria no 15-M. Nuria ía buscando axuda, zarandeada. Pablo ten unha carpeta, con centos de follas. Hai un documento do Concello de Arteixo. Un informe municipal asinado polo alcalde o 20 de xullo de 2011 que di: "A obra non se axusta á licenza concedida, que parte das obras executadas sen axustarse resultan ilegalizables, e que a pesar de estar notificada á promotora non foi posible o acceso ás vivendas" . O documento pide denegar a licenza de primeira ocupación e incoar o correspondente expediente de reposición da legalidade. O edificio continúa habitado. "O Concello de Arteixo non fixo nada ao respecto. Non sei se pretende dar por prescrito un tema que non pode prescribir", precisa o avogado. As datas bailan na cabeza de Nuria. Non é fácil contar unha vida rota. Probabelmente non volverá ter un traballo, un traballo coma os de antes, unha casa, unha vida que lle contar aos netos cando cheguen. "Casei con 20 anos, cumpro o anos o día 10 de xaneiro e o 14 estaba casando, con 20 anos. Separeime no 2002 pero non tiven o divorcio até o 2007, daquela xa estaba convivindo con Pachi". "Cando Pachi quedou sen traballo, sería no 2013, nin traballo nin ingresos, fomos vivir á casa da súa nai, en Arteixo. Fomos na primavera do 2012, estivemos ata o 2014, despois eu vin para casa dunha amiga, no Nadal do 2014, xa non estaba con Pachi, sigo alí, estanme axudando meus pais, de 73 e 71 anos, xubilados. Terán entre os dous 600 ou 700 el e ela cento e pico de Suíza... botaron oito anos alá, eu nacín alá o 10 de xaneiro do 69 en Zúrich. A nai coidaba de min, el traballaba nunha carpintería e ela antes de terme a min, nunha fábrica de conservas. Regresamos no 73, xusto para empezar o colexio, tiñan un piso comprado na ronda Nelle, na Coruña. Empecei a traballar con 19 anos coidando nenos, despois fun teleoperadora, logo dependenta, e o último en seguridade, sempre na Coruña". O desaloxo, o ERE, o ictus Nuria consulta o caderno. "Aquí está, o 25 de xaneiro de 2012 presentouse unha comisión xudicial no piso. Ao día seguinte fun ao xulgado mirar os papeis a ver que pasara. Fun con Pachi. Non tiveramos notificación do desaloxo. Despois, en marzo, o avogado de oficio díxonos que era mellor saír do piso para que o xuíz apreciase a nosa boa intención. Marchamos para a casa da nai de Pachi. Falei coa Plataforma do 15-M, presentáronme a Pablo, que me explicou que mentres non rematara a demanda civil que presentaran desde o despacho de Antonio, o meu primeiro avogado, polo asunto das licencias, que non se podía facer nada respecto da hipoteca. Entón, no 2014, empezamos e o piso xa fora a unha poxa. Finalmente vendérono en xaneiro do 2015". "Falei co director da sucursal, Germán. Era a finais do 2012. Dirixiume a riscos, que che darán solución, dixo. Fun varias veces, e o que me ofrecen é un préstamo persoal de 5.000 euros, máis da metade xa se ían en gastos de tarxeta e de hipoteca, xa quedaban con eles... non estiven de acordo. Non me quitades do apuro, expliqueilles. Desde o principio díxenlle que o edificio estaba sen licencias e que eles non podían ter feito unha hipoteca nesas condicións. Empezaron a chamarme, de empresas de morosos. Chamaban de distintos números, vinte chamadas por día, agresividade, ameazas, non sabía quen eran... empezaron no 2012, a finais, non pararon, hoxe inda recibo. O banco chamou despois nunha ocasión, despois do ictus, cando metín todo no xulgado. Xa non quero saber nada deles". Nuria traballaba nunha empresa de seguridade, Prosanosa. O último traballo foi no Haley de Oleiros. Levaba desde 2008 na empresa. No 2010 colleu unha baixa. A principios do 2011 a empresa presentou un ERE. Despediron á metade. Nuria empezou cobrando algo menos de 700 euros do desemprego. O 5 de agosto de 2011 sufriu un ictus. Pasou á incapacidade laboral. Foron 18 meses. Déronlle a alta e a comezos do 2013 quedou sen paga. Non volveu traballar. Non volveu recibir axuda ningunha por parte do Estado. Solicitou a RAI e denegáronlla porque non acudiu a unha cita. "Que queren? Estaba con muletas, case paralizada do lado dereito. Pablo está reclamando que naqueles días non tiña mobilidade para ir ao paro". Nuria sufre a enfermidade de Graves-Basedow. Empezou a estar mal no 2009. A tensión polos problemas do piso. Tivo o ictus, hernias de disco, problemas de circulación, conta. "Co ictus estiven mes e medio ingresada. Hoxe estou con probas no corazón. Cada día peor, dores na perna, hai días que non podo camiñar. Teño depresión". Pablo denunciou á construtora por estafa. Presentou a denuncia a finais do 2016 e despois un recurso diante da Audiencia Provincial da Coruña. Aí segue. Considera que se pode acreditar que o construtor sabía que non ía obter a licencia, que vendeu os pisos sabendo que non ían ser legalizábeis, "enganando co ánimo de conseguir un beneficio", mesmo que rexistrou o edificio noutra parcela. O día 10 Nuria cumprirá 49 anos. Ten unha filla. Inda non ten netos. Pero gustaríalle ser avoa, "máis adiante, claro". Os pais van tirando. A familia e unha historia de xuízos escrita nun caderno con recortes de prensa pegados como para dar conta de que o que pasou foi certo é todo o que lle queda para contar os netos. As fotos son de Erik Dobaño
NOS_14185
Sermos Galiza fai seis anos neste vinte e seis de abril. Seis anos na súa versión dixital porque a outra, o semanario en papel, fai anos, tamén seis, o 8 de xuño.
Atreveríame a dicer que a evolución de Sermos Galiza nestes seis anos anos tivo como norte aproximarse o máximo posíbel ao que queremos indicar co noso lema, isto é, sermos un medio de intereses galegos que quere dar resposta a todo ese grande colectivo que ten como horizonte dotármonos dun medio de comunicación capaz de conciliar o rigor, a veracidade e a pluralidade, refugando falsas neutralidades e sen permanecermos alleos á realidade social. Por outra parte, non podemos esquecer que, infelizmente, o semanario segue a ser a única posibilidade que un lector de prensa galega pode atopar nos quiosques. Eis a importancia de ampliarmos a base lectora do semanario. Neste sentido, a posibilidade de contarmos cun diario en papel procura esa ampliación necesaria para nos dotar dun espazo de comunicación galego, entendendo por tal aquel que coloca o galego como única lingua de comunicación e Galiza como espello en que se ollar. Infelizmente, o semanario segue a ser a única posibilidade que un lector de prensa galega pode atopar nos quiosques A día de hoxe hai publicacións realizadas na Galiza, empresas con sede social na Galiza, con capital orixinariamente galego mais que non teñen nas súas páxinas nada de galego, refírome á lingua, ou en todo caso o mínimo para poder acollerse ás subvencións. Romper esa dinámica, saír desta anomalía e achegármonos un pouco máis á normalidade que como País precisamos ten que ser un dos obxectivos de Sermos Galiza S.A. porque o máis normal é ter medios de comunicación no idioma que nós criamos. Esta é a aposta de Sermos Galiza S.A. ao impulsar un diario en papel para 2019. Ora, esta aposta non pode ser apenas un medio en galego. Ten que ser un medio aberto, alternativo, de intereses galegos e con estratexias de actuación específica cos territorios lusófonos. Isto significa apostar en que lingua e cultura se han desenvolver sen dependencias nin interferencias, ollando para a Galiza e para o mundo desde nós, cunha praxe xornalística que faga análise contrastada e información rigorosa e plural, que dea voz a quen agora non a ten e visibilice quen permanece na sombra. A aposta de Sermos Galiza S.A. ao impulsar un diario en papel para 2019 non pode ser apenas un medio en galego: ten que ser un medio aberto, alternativo, de intereses galegos e con estratexias de actuación específica cos territorios lusófonos Un xornalismo que ofreza espazos para a reflexión acompañados de informes serios e veraces. E que nunca esqueza de onde nace, que atenda a propia composición da empresa editora, con máis de 900 accionistas e o propio proxecto, que aspira a ser viábel economicamente sobre unha base mínima de 3.000 asinantes. Son estas garantías de viabilidade e de pluralidade. Mais pluralidade non significa abrazar falsas neutralidades. O Diario Galego será plural porque será capaz de conciliar rigor e veracidade sen permanecer nunca alleo á nosa realidade social. Só así as persoas asinantes se manterán fieis ao proxecto; só así a iniciativa será capaz de seguir sumando persoas que a apoien e só así nos poderemos dotar dun diario que ofreza información e análise, con rigor e perspectiva propia ao servizo, sempre, do pobo galego. O proxecto só será posíbel se o erguemos sobre o marco da pluralidade e o diálogo entre Sermos Galiza S.A e todas as asociacións e organizacións colectivas que confían nas capacidades dunha Galiza real Coa mesma certeza que hai seis anos, sabemos que podemos levar adiante este proxecto. E tamén sabemos que iso só será posíbel se o erguemos sobre o marco da pluralidade e o diálogo entre Sermos Galiza S.A e todas as asociacións e organizacións colectivas que confían nas capacidades dunha Galiza real, na certeza – insisto – de que esta iniciativa ten que abranxer e ser participada por todas as persoas que conforman a nosa base lectora, a presente e a futura. É así como queremos construír esta iniciativa e así é, colectivamente, como superaremos as dificultades, entre todas, entre todos, porque, como dixo Curros "na unión dos bos galegos está da Patria o porvir". De ti, de min, de nós depende. Texto escrito polo presidente do Consello de Administración de Sermos [Para facer de O Diario Galego unha realidade, necesitamos sumar 3 mil subscricións. Podes sumarte nesta ligazón]
PRAZA_5608
Benito Montero, fiscal da Audiencia de Pontevedra, analiza a situación do galego no ámbito xudicial e na sociedade en xeral a poucos días de que se celebre a sétima asemblea da Irmandade Xurídica Galega, da que foi un dos seus socios fundadores.
A Irmandade Xurídica Galega celebra o vindeiro 24 de maio en Ourense a súa sétima asemblea. Constituída o 21 de xuño 2008 logo dun acto en Celanova, aglutina xuristas (entre maxistrados, xuíces, fiscais e avogados) e funcionarios xudiciais. Unhas 150 persoas na actualidade, todas elas partidarios e defensores do uso da lingua galega na súa actividade profesional e continuadores dunha tradición que comezaran Sebastián Martínez Risco, Roberto González Pastoriza, Ramón Carballal Pernas, Valentín Paz Andrade, Lois Peña Novo ou Arturo Noguerol. Un dos seus socios fundadores, o fiscal da Audiencia de Pontevedra Benito Montero, fai agora balance e analiza tamén a situación do galego, tanto na Xustiza como a nivel global. Como se creou e que balance fai do traballo da Irmandade Xurídica Galega? A Irmandade Xurídica Galega (IXG) naceu hai seis anos co impulso de catro ou cinco fundadores. Algúns que levabamos tempo facendo o noso traballo na administración de Xustiza en galego decidimos que sería bo facer algo para apoiar outros compañeiros que quixeran seguir o mesmo camiño. Fomos incrementando ano a ano a xente que se sumou e que prometeu levar a cabo o seu labor profesional en galego e uníronse xuíces, fiscais, notarios, procuradores, rexistradores... O crecemento foi exponencial e xa somos sobre 150 tendo en conta as últimas incorporacións que se confirmarán nos vindeiros días. "Queda moito por facer para normalizar o galego no ámbito da Xustiza" Queda moito por facer polo galego na Xustiza? Queda moito por facer, claro que si. Póñolle só varios exemplos: se hai uns vinte xuíces en Pontevedra, só hai un que sempre use o galego e algún outro que o emprega de vez en cando; se hai 50 fiscais na provincia, tan só catro ou cinco facemos o noso traballo na lingua propia. Logo, hai moitos funcionarios aos que lle gustaría facer todo en galego, pero a Xunta non ten aínda un programa informático no noso idioma. Levamos anos pedíndoo, pero temos moi pouco apoio institucional para que o galego poida ser elixido como idioma para facer o noso labor a través deste programa informático. Pero póñense atrancos para poder empregar o galego na Xustiza? Non hai problema ningún por utilizalo, o problema vén cando operas cun sistema informático que non cho permite ou que cho pon moi complicado. Sen haber impedimento legal ningún, si que o hai físico e institucional por non termos as ferramentas axeitadas. "Sabemos que a normalización do galego no ámbito xudicial é moi lento, pero temos fe e ilusión porque defendemos algo normal" De todos os xeitos, as resolucións xudiciais en galego no país seguen a ser minoritarias e non adoitan superar o 5%... A cifra é baixa, moi baixa, pero teñamos en conta que hai anos non había ningunha. Cando eu empecei na profesión, nin unha soa palabra no ámbito da Xustiza se escribía en galego. Agora hai pouco, pero antes non había nada. A Irmandade Xurídica quere promocionar que cada vez máis xente se sume a nós e faga o seu traballo na lingua galega. Sabemos que o proceso é moi lento, pero temos fe e ilusión porque estamos loitando por unha cousa tan normal como normalizar o uso da lingua. Hai funcionarios do ámbito xudicial que, malia usar acotío o galego, opten polo castelán por comodidade? É certo que iso tamén pasa. Hai moita xente que é interrogada en galego, pero logo as transcricións esbríbense en castelán. Porque é máis fácil para ese funcionario, porque estudou a carreira en castelán, porque fixo as prácticas xurídicas tamén en castelán, polo programa informático... Élle moito máis cómodo e por iso o fan, pero tamén é verdade que hai moitos avogados que o fan absolutamente todo en galego. Logo hai a quen non lle importa, e mesmo prefire, empregar o galego pero a comodidade lévao a utilizar o castelán. Tamén hai quen é totalmente contrario á utiliziación da lingua galega porque cre que o castelán debe ser o único que se empregue, pero son unha minoría, unha mínima parte. E hai algún problema para que a xente se exprese en galego nos xuízos? Ningún, non hai problema ningún. Pode haber algún caso illado dalgún xuíz que, sendo de fóra, poña algunha pega ou pida que se exprese en castelán porque non o entende ben, pero é algo moi minoritario porque hoxe en día os xuíces saben que cadaquén pode expresarse no idioma cooficial que queira. Se non o permitise, estaría incorrendo nun delicto. A ningún se lle ocorre facer iso e, de feito, hai moitos que fan o esforzo por usar o galego e que incluso agradecen que se lles fale na lingua de aquí. "A normalización non chegará sen un forte apoio institucional e sen a ilusión da Xunta, e a Xunta non ten ilusión por normalizar o galego, senón todo o contrario" O galego non está normalizado na Xustiza, pero non é un problema que se encadra nunha problemática global? Se un vai a unhas oficinas da Xunta comproba que alí a xente se expresa maioritariamente en castelán e só a insistencia dun mesmo permite que se dirixan a ti en gaelgo. Na educación pasa máis ou menos o mesmo. A normalización, sen un apoio institucional firme e forte, non é capaz de imporse. Ten que haber ilusión por parte do Goberno galego por normalizar o idioma propio e aquí non a hai, senón todo o contrario. Se poden reducir a presenza da lingua, redúcena. Parece que mesturan as cousas co nacionalismo, que entenden que canto máis galego se fale máis nacionalismo haberá... Pensarán iso, se cadra, pero ilusión por normalizar non a hai. "É difícil ser optimista co futuro do galego cando os medios, a educación ou o cinema son maioritariamente en castelán e non hai vontade política por cambialo" É optimista de cara ao futuro do galego? É difícil ser optimista porque parece ser que na educación cada vez é menos obrigatorio e a formación dos rapaces é maioritariamente en castelán. Ademais, case todos os medios que coñecemos, agás a Radio Galega e a TVG, son en castelán. O cinema e todo co que nos bombardean, tamén é en castelán... É moi difícil que a xente teña o coñecemento que se debe ter do galego. A isto úneselle a falta de vontade política e, no ámbito da miña profesión, o feito de que as carreiras e as oposicións tampouco sexan en galego. Só a xente con grande ilusión por normalizar o galego dá o salto á normalización cando todo está en contra. Hai que ser sempre optimista, pero o futuro non sabemos o que deparará. Houbo linguas minorizadas que morreron e outras que se converteron en maioritarias. O que vai suceder non o sabemos, pero ilusión hai que ter e os que a temos morreremos loitando pola normalización da nosa lingua en todos os ámbitos.
NOS_26882
Un total de 45 fotografías realizadas por Plácido Castro durante a súa viaxe a Irlanda en 1928 compoñen a mostra organizada pola fundación que leva o nome do intelectual en Vilagarcía de Arousa. A próxima terza feira desenvolverase un seminario para divulgar o relato literario e fotográfico da viaxe.
A Fundación Plácido Castro inaugurou na Casa da Cultura de Vilagarcía de Arousa a exposición "A Irlanda de Plácido Castro", con 45 imaxes tomadas polo escritor e xornalista. A próxima terza feira, día 25, a partir das 16 horas, na Sala de Exposicións Antón Rivas terá lugar un seminario para divulgar o relato literario e fotográfico da viaxe de Plácido Castro á Irlanda de 1928 e, en especial, ás illas Blasket, e para significar e promover a proximidade entre Galiza e Irlanda. Coordinado por Xulio Ríos, o programa contará coa palestra "Irlanda en tempos de Plácido Castro", de David M. Clark, director do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses 'Amergin', UDC. Ás 17 horas, Uxío Breogán Diéguez-Cequiel, doutor en Historia Contemporánea e profesor da UDC, tomará a palabra coa intervención "O galeguismo e Irlanda". Ás 18 horas, Clark volverá intervir para narrar a viaxe de Castro a Irlanda en 1928. As relacións culturais entre Galiza e Irlanda onte e hoxe centrarán a última palestra, na que participarán Manuela Palacios González, profesora Titular de Literatura Inglesa na USC, e Keith Payne, crítico e tradutor, lector de Inglés na Universidade de Vigo.
PRAZA_3397
Todo parece indicar que o meu tío Lisardo fixo ben ao apartar a cota, para pagarlle a escote o gran banquete da nova maioría absoluta que vai chapar Feijoo, novamente.
«Digo unhas veces si, mitá da ialma, / digo outras veces non / e perdo o rumbo e a esperanza» (O vento no teu colo, Antonio Tovar)Galicia é esa esquina do mapa á que os centralistas propiamente ditos –Madrid, ao fin e ao cabo–nunca a deixarán de considerar periferia, pase o que pase. Non pola súa situación xeográfica fisterrá, senón pola actitude de submisión e petulancia dos seus representantes que, cando teñen a oportunidade de pintar algo, sempre acaban debuxando centolas rosadas e estampas de cor verde botella. Semellante actitude, tan ionizada de carga negativa, levámola apegañada á nosa pelica, coma unha samesuga, mesmo dende antes de existirmos, porque os de acolá sempre se crerán imbuídos do dereito a zugarnos o sangue ou, no mellor dos casos, a ignorarnos; e os de aquí, cando poden rascar algo na capital do reino, en canto atravesan o Padornelo, uns perden o sentido de pertenza e outros coidan que só eles se bastan para salvar a patria.Mais todo iso, mesmo sería insignificante se aqueles de aquí, aos que tanto se lles enche a boca ao pronunciar a palabra Galicia, foran quen de percibir o que importa en cada momento, especialmente agora, cando no ámbito cultural, social, económico, territorial, identitario... o país fenece sen remedio. Así que, como en breve haberá eleccións en Galicia e, malia non decatármonos, talvez vallan para decidir se queremos seguir recuando ou alancar ata darlle azos a unha alternativa política que nos permita enfiar o futuro doutro xeito, ilusionando á xente do común. Mais, se non avanzamos, a culpa non será de Feijoo nin do PSOE nin de Unidas Podemos, será única e exclusivamente das distintas familias do galeguismo político –tan nacionalistas unhas como as outras– por non seren capaces de definir, non o que cómpre facer senón aquilo ao que debemos renunciar, porque todos están preocupados por presumir de pedigree ou, o que é máis triste, por garantir as prebendas arrapañadas.Ah! Mercé á parvidade que profesa o galeguismo político, tan presto a facer favores, sempre e cando os beneficiarios non sexan da familia, tal como van as cousas e tal como acordaron os que mandan, malia confundir as eleccións co xogo do bingo, todo parece indicar que o meu tío Lisardo fixo ben ao apartar a cota, para pagarlle a escote o gran banquete da nova maioría absoluta que vai chapar Feijoo, novamente.
NOS_58201
José Manuel Díaz Barreiros e Pedro Rey postúlanse a presidir a patronal galega, que leva dous anos sen presidente.
O ourensán José Manuel Díaz Barreiros preséntase como candidato a presidir a Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) co obxectivo de lograr "o consenso" da institución, xa que o principal problema é "a desunión", "algo a evitar". Así o adiantou nunha rolda de prensa na que expuxo as súas motivacións para concorrer ás eleccións do vindeiro 24 de novembro, ás que se presenta co apoio unánime da Confederación de Empresarios de Ourense, aínda que conta con sumar máis axudas nos próximos días. Na súa intervención apostou por devolver á CEG a imaxe "como un faro que ilumine todos os empresarios" potenciando o ámbito social, cunha maior proxección a través de redes sociais, e tamén impulsando a educación empresarial. "É fundamental que desde nenos se ensine a ser empresario", afirmou. Posíbel adversario Os anteriores procesos electorais quedaron desertos, mais desta vez mesmo podería haber máis dun candidato. Xunto ao nome de Díaz Barreiros xorde o do vigués Pedro Rey, presidente da Confederación Española de Empresas de Formación, que se presentará "sempre que haxa consenso". "Non veño enfrontarme, veño unir e a multiplicar", subliña. Asegura buscar "a integración de confederacións e sectoriais", un dos enfrontamentos que bloqueou a patronal galega durante os últimos anos. Ademais, séntese "apoiado" polas confederacións de Pontevedra e A Coruña, após falar con Jorge Cebreiros e Antonio Fontenla, respectivamente, que por outra banda foron os protagonistas do cisma na patronal galega.
NOS_34814
O actual sistema tributario ten como principal beneficiario as grandes empresas, canto máis grandes mellor. De aí que a súa achega ao fisco vaia reducíndose. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no Sermos Galiza 291.
O Informe de recadación da Axencia Tributaria deita luz sobre uns dados que radiografían unha realidade non sempre ben percibida. As grandes empresas pagaron apenas 7,3% do seu resultado contábel (diferenzas entre ingresos e gastos) de Sociedades. Menos de 6.300 millóns de euros. Por un resultado contábel que andaba nos 86.000 millóns de euros. As pequenas e medianas empresas (pemes) apoquinaron perto de 12.700 millóns de euros. Pagan 12,2% do seu resultado contábel. Xa noutra orde, o IRPF anda de media en 15%. Así pois, o debate continúa sobre a mesa: as grandes empresas (grupos consolidados) pagan menos impostos porcentualmente que as pequenas e medianas. Pagan, mesmo e a nivel mundial, menos impostos que antes da crise. Como revelou o Financial Times, desde 2008 os impostos efectivos sobre esas grandes compañías baixaron 5% mentres que paralelamente aumentaron en 6% sobre as persoas asalariadas e consumidoras. Se comparamos desde 2000 até agora, eses impostos efectivos caeron de 34 a 24%. A quen beneficia? Centrándonos no Estado e na Galiza, Carlos Cruzado, do sindicato de Técnicos de Facenda (Gestha) lembra que máis das tres cuartas partes das vantaxes tributarias do Imposto de Sociedade "son utilizadas apenas por 0,32% do tecido empresarial". Unha liña na que abonda José A. Ocampo, da Comisión Independente pola reforma da fiscalidade corporativa, que insiste en que "as grandes empresas son as principais beneficiarias do actual sistema tributario". [Podes ler a reportaxe íntegra no número 291 do semanario Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]
NOS_11965
O disco de Caamaño & Ameixeiras preséntase como unha novidade maior entre os discos galegos deste ano.
Señoras e señores: chegou o mellor disco do ano! O máis esperado, o máis mellor! (Decatádevos, ei, de que eu este ano saquei álbum coas miñas compañeiras de Timparrantela, que estou até botando pedras contra o meu propio tellado). Aire / Caamaño & Ameixeiras / Segell Microscopi / 2021 / Once pezas / 10 euros Antía (Ameixeiras) e Sabela (Caamaño) non precisan ser máis de dúas persoas para transportarnos, para transmitir, para amosarnos como elas entenden a música. Sabela é unha auténtica virtuosa. Pero non virtuosa porque si. Non das que dan moitísimas notas tecnicamente perfectas sen ningún discurso. É até virtuosa no concepto, no camiñar, na súa musicalidade. Antía... Antía é o son. Bebe de tantas fontes que cando a escoito, paréceme que se amorean ducias de discos dos que teño escoitado ao longo da vida. Sabela é a precisión, Antía é o boi que tira do carro. E ambas fan un tándem perfecto. Este disco é unha auténtica fantasía. Non dan puntada sen fío, e é inexplicábel que nun primeiro traballo xuntas xa se entendan tan ben. É como se puidésemos comezar a crer que existen as medias laranxas, pero aquí son laranxas musicais. A elas dúas [que xa se bastan soas, e podedes comprobalo en calquera dos seus concertos] súmanse Diego Galaz (tamén produtor), Pedro Pascual (que arranxou unha das pezas), Xavi Lozano (frauta), Pablo Martín (percusións), Jorge Arribas (acordeón), Carola Ortiz (clarinete), Abraham Cupeiro (corna e caracolas), Juan Carlos 'Pana' Melián (percusións), Apel-es Carod (violín) e... ollo piollo: Silvia Pérez Cruz, cantando en galego, por suposto. O disco foi gravado, mesturado e masterizado en Abrigueiro Estudios por Arturo Vaquero. Este traballo está feito con tanto meco nas músicas coma no deseño, para o que contaron co bo gusto de Nébeda Piñeiro e os seus persoais collages. Mais iso non é todo. Ademais do álbum físico, tamén ofrecen postais que seguen a mesma liña do deseño. Pareceume moi orixinal. Nas músicas podemos atopar desde melodías e letras tradicionais galegas até sons de outras latitudes como "Buchimitsa" (búlgara) ou letras actuais como a de Olalla Liñares en "Aire". Ademais do violín de Antía, do acordeón de Sabela e das colaboracións mencionadas, descubrimos a fantástica voz da propia Antía. A min encántame, pola súa naturalidade. Parabéns a estas dúas cracks. Recomendo encarecidamente que merquedes o disco e, se tedes oportunidade, non as perdades en directo! Se souberas o que te quero, se souberas, amada miña; se souberas todo eso, se souberas chorarías. O que sinto eu por dentro, o que sinto, amada miña; sinto amor eterno, sinto o amor da vida.
NOS_42672
A Asemblea de desempregad@s de Ferrol, da cal fan parte @s condenad@s, recorda que a acción simbólica non chegou a concluírse e que o valor dos alimentos non chegaba aos 26 euros. Acatan a sentenza, mais considérana máis unha tentativa de "criminalizar" a mobilización social
O xulgado de Instrución nº1 de Ferrol resolveu condenar a unha multa de 90 euros a cada unha das persoas da Asemblea de desempregad@s de Ferrol que fixeron parte dunha acción simbólica nun supermercado. O obxectivo era chamar a atención sobre a emerxencia económica que atravesa quen non ten un traballo remunerado, nomeadamente quen non reciben ningún tipo de prestación. Segundo os últimos datos do Servizo público de emprego, na Galiza son 106.408 as persoas nesta situación. Así as cousas, @s seis activistas enfrontáronse a un xuízo de faltas imputad@s dun furto, após intentaren pagar coa tarxeta do desemprego nun estabelecemento da cidade alimentos de primeira necesidade --arroz, pasta e legumes-- cuxo valor total non chegaba aos 26 euros. A multa imposta ascende, en total, a 835 euros. Teñen un mes para abonala, en prazos de tres euros ao día, para alén da indemnización que terán que pagar á cadea de distribución, e que ascende a 275 euros. Na Asemblea de desempregad@s acatan a sentenza, mais consideran que é "inxusta e desproporcionada" e cun obxectivo claro: "criminalizar" a mobilización social e "dar amparo" ás políticas de recortes nos dereitos fundamentais. Recordan que a acción simbólica pola que foron condenad@s pretendía denunciar "a dramática situación" pola que están a atravesar cada vez máis persoas. Por conseguinte, subliñan que "non teñen recursos económicos" para adquirir eses produtos de primeira necesidade "que custodian empresas como Día, véndose obrigados a encarar o camiño da exclusión social".
NOS_41357
O perfil da Plataforma en Facebook consegue en só 24 horas máis de 20.000 seguidores.
Após a leitura da sentenza na Audiencia provincial da Coruña a Plataforma Nunca Máis lanzouse ás redes sociais e en poucas horas conseguía máis de 6.000 seareir@s. Un día despois os resultados achéganos @s 20.000 no Facebook e a máis de 1.500 en Twitter. As novas ferramentas para a comunicación virtual --que na altura da catástrofe non existían-- están a convertérense nun regueiro de mensaxes de apoio á Plataforma e de denuncias polo fallo xudicial. A inexistencia de responsabilidades políticas --que para maxistratura non tiveron os gobernos español e galego-- fixo ferver a pasada cuarta feira as redes sociais até o punto de converteres os hastag #NuncaMáis e #Prestige en trending topics ao longo do día. Desde a Plataforma xa aseguran que o resultado obtivo nas redes sociais fai percorrer pola Internet "unha marea de dignidade" que está, asemade, chamada a saír esta sexta feira ás rúas.
PRAZA_2973
A audiencia de Praza.gal configurou, sen sabelo, este resumo da actualidade do ano que remata. Unha pausa para coller folgos e imos co 2016. Co voso apoio fica moito por contar.
Remata o ano e todo se inza de listaxes. Os filmes do ano, as cancións do ano, os vídeos de gatiños máis riquiños do ano... E tamén, as novas do ano. O 2015 foi un ano informativamente apaixonante ou, cando menos, así o vivimos dende a redacción de Praza.gal. Criterios para seleccionar o máis destacado destes 365 días hai moitos, e nós decidímonos por un: mergullámonos nas estatísticas e tiramos as catro novas que a audiencia de Praza Pública visitou máis en cada un destes doce meses. Nesta escolma que, sen sabelo, realizastes as lectoras e lectores de Praza hai política, cultura, economía, movementos sociais... E, sobre todo, un pequeno retrato do que máis vos interesou, preocupou ou aledou durante o ano. Neste percorrido informativo podedes avanzar e retroceder polas imaxes e textos de cada un dos meses e, se vos interesa, acceder á ligazón que vos levará a cada unha das informacións completas. Se vos gusta e a queredes ver ao grande, en pantalla completa, podedes premer aquí mesmo. Unha pausa para coller folgos e imos co 2016. Co voso apoio fica moito por contar.
NOS_4205
O colectivo de pacientes galegos referenda o temor expresado pola OMS e expresan a súa preocupación polo esquecemento dos doentes crónicos ou con enfemidades curábeis que ante a falta de atención sanitaria ven empeorar a súa calidade de vida. A Covid fixo aumentar os tempos de espera no primeiro semestre do ano e ampliou o desleixo na atención a pacientes sen coronavirus, o que suporá un aumento da mortalidade, afirman.
"O confinamento esmagou o virus, pero tamén a xente", avisou o director para Europa da Organización Mundial da Saúde, quen alertou das consecuencias do coronavirus e das restricións implantadas para tratar de frear o seu avance na saúde das persoas máis aló da Covid-19. O médico belga Hans Kluge participou esta semana na Cátedra de Cronicidade da Universidade de Santiago de Compostela, unha cita online que aproveitou para incidir nos efectos da pandemia na detección e tratamento doutras enfermidades distintas á Covid-19 coas que a poboación seguiu lidando en peores condicións. Segundo resaltou, este "dano colateral inaceptábel" suxire un aumento potencial da mortalidade entre pacientes con enfermidades crónicas ou doenzas curábeis que ben non se diagnosticaron a tempo ben no recibiron a vixilancia e os coidados necesarios ao seu debido tempo. No primeiro semestre de 2020 a demora para unha intervención cirúrxica ou de 54 a 101 días "Nos próximos anos, moitos países rexistrarán un aumento de 10% na mortalidade do cancro de mama e de 15% no cancro colorreital", salientou, como consecuencia directa do adiamento de citas e probas de detección. Mais tamén como resultado dos "cambios en condutas normais e sas" derivadas das medidas de restrición e do seu impacto socioeconómico. Por este motivo, Kluge realizou un chamamento para que non se abandonen a prevención e xestión das enfermidades crónicas. "Necesitamos sistemas sanitarios sólidos, baseados na Atención Primaria, que permitan mellorar a saúde das persoas", concluíu. Listas de espera Desde Galiza, a sensación e a experiencia do colectivo de pacientes referenda o temor expresado pola OMS. "Estamos ante unha situación moi grave que afecta a pacientes de cancro e a doentes con outras enfermidades crónicas ou curábeis", sinala Fernando Abraldes, presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. "O Ministerio de Sanidade vén de actualizar os datos referidos ás listas de espera que a Xunta da Galiza segue sen publicar malia a obriga de ofrecer eses datos. No primeiro semestre de 2020 a demora para unha intervención cirúrxica ou de 54 a 101 días, o tempo de agarda para unha consulta especializada aumentou de 42 a 66 días. A situación deteriorouse dunha maneira moi evidente", salienta Abraldes. Outro dato relevante, apunta, é o incremento de pacientes á espera dunha cirurxía cunha espera de entre 6 e 12 meses. "De 314 a finais de 2019 pasamos a máis de 3.500 persoas en xuño de 2020". Así, advirte de prazos de demora moi superiores aos estabelecidos por lei. "Aquí hai unha normativa específica que fixa o tempo máximo de espera para unha cirurxía en pacientes de cancro de 45 días". Non houbo plan de choque nin orzamentos adicionais por parte de Sanidade. Limitáronse a reprogramar as citas Fernando Abraldes asegura que o coronavirus está deixando moitas máis vítimas das que se computan, porque "non morren pola Covid-19". "Na nosa asociación temos doentes que se viron discriminados por non seren considerados de risco malia ser enfermos de cancro" e coma eles, incide, outras moitas persoas que viron empeorar a súa calidade de vida por falta de atención e anticipación. "Cómpre maior transparencia nas estatísticas para coñecer a incidencia real do coronavirus en todas as súas dimensións". "Quen aguanta, ben, en quen non, asume as consecuencias" "Aquí todo o mundo, sen excepcións, se viu sometido a unha revisión dos prazos de atención, mesmo aqueles doentes aos que o sistema tratou de dar prioridade", asegura o presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS. "Moitas persoas con cancro viron reprogramadas as súas citas de radio ou quimioterapia", unha delonga nos coidados á que hai que engadir a parálise dos diagnósticos. "Non houbo plan de choque nin orzamentos adicionais por parte de Sanidade. Limitáronse a reprogramar. Quen aguanta, ben, e quen non, pois asume as consecuencias", di Abraldes.
NOS_43122
Cada ano o Centro IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais elabora a súa lista con libros de todo o mundo. Desta volta hai un galego, O neno can (Galaxia), escrito man a man entre Francisco Castro e Fina Casalderrey.
O neno can son as historias de Aakesh, Nadim, Altair, Leila ou Carlos. Son relatos que fan tremer, abrir os ollos e mover conciencias. Nenas e nenos con nome propio a quen ninguén lles dixo que tiñan dereitos. Fina Casalderrey e Francisco Castro escribiron xuntos as súas historias. Con catro mans, dous corazóns e, como el@s din, unha soa cabeza.Os correos corrían veloces dun enderezo a outro. Así se foi construíndo O neno can (editorial Galaxia), un libro asinado por Fina Casalderrey e Francisco Castro que tanto a unha como o outro consideran propio. Incapaces son, a esta altura, de identificaren quen puxo que. A obra labrouse a golpe de complicidade, de xenerosidade e de vontade de compartir cun obxectivo: denunciar as inxustizas que padecen crianzas por toda a parte. Unha porcentaxe dos dereitos do libro teñen como destino Unicef, co obxectivo de cambiar a historia de crianzas como Aakesh, Nadim, Altair, Leila ou Carlos. Ás catro mans dos autores literarios súmanse as dúas de Patricia Castelao, a ilustradora que pon imaxes ás historias do libro.Que as súas iniciais sexan as mesmas non deixa de afondar no xogo de autoría compartida que experimentaron en O neno can. Fina Casalderrey e Fran Castro, F.C. nos dous casos, de maneira que só con esas iniciais abondaría para identificar calquera das autorías. "Foi como o experimento dos vasos comunicantes, en que os líquidos se xuntaban e o resultado é conxunto", comeza a explicar Fina Casalderrey, marabillada aínda pola singularidade do proxecto. A moita distancia sitúa os libros de gastronomía galega que asinou co seu home. Estaban feitos na casa, compartindo tempo, espazo e vida co outro autor. "Posibelmente eu lle puxese poesía e Fran frescura mais, co libro feito, é difícil identificar quen fixo cada cousa. Foi unha sorte de milagre", explica Fina Casalderrey. "Foi como o experimento dos vasos comunicantes, en que os líquidos se xuntaban e o resultado é conxunto" Intravenosas aos sentimentos "O proceso foi frenético e intenso. Sempre dicimos que está escrito a catro mans mais cunha soa cabeza. Foi moi fácil traballar con Fina porque é unha muller moi xenerosa. Discutiamos todo, mesmo a colocación das comas, mais nunca houbo friccións", engade Francisco Castro."Queriamos que fose como os foguetes das festas, que batese no peito. Os relatos tiñan que facer cambalear a quen os lese, tivese a idade que tivese. Que fosen inxeccións intravenosas directas ao sentimento" comenta Fina Casalderrey, duns contos que, de certo, emocionan. Nos textos literarios e en todo o material que rodea o libro, resplandecen os nomes das crianzas protagonistas de cada un dos relatos. Aakesh, Nadim, Altair, Leila e Carlos, cobran unha singular forza. "Foi á mantenta. Queriamos poñerlles nomes porque son historias particulares que teñen corpo. A traxedia sempre ten nome e conmove máis se é así. As imaxes de nen@s de África con fame repetíronse e fixéronse cotiás. Que eses nen@s teñan nome é importante para afondar na denuncia das súas situacións", defende Francisco Castro.Para Fina Casalderrey, o obxectivo foi "remexer as conciencias, denunciar as situacións inxustas e contribuír a que non se repitan. Que se algún día alguén ve un neno collendo algo do lixo, que non lle chame can". "Obxectivo foi "remexer as conciencias, denunciar as situacións inxustas e contribuír a que non se repitan. Que se algún día alguén ve un neno collendo algo do lixo, que non lle chame can". Contaban con que o libro fose lido pola cativada que, tantas veces, vive allea á traxedia que padecen tantas persoas da súa idade. "Trátase de historias moi duras, dun neno que ten que recoller comida no lixo, dunha nena obrigada a se prostituír, dun cativo que vive nunha favela... mais, ao final, sempre hai espazo para a esperanza e iso é o que queremos que as nenas e nenos reciban", di Franciso Castro. "Son máis novos, porén non menos intelixentes e son quen de entender a inxustiza e se rebelar contra ela", di Fina Casalderrey, e ese é o destino do libro que, como din, está feito con catro mans, unha cabeza e dous corazóns.
NOS_12807
Neo-thatcherismo en Madrid. A candidada do PP á presidencia da comunidade autónoma, Isabel Díaz Ayuso, anunciou esta terza feira "a maior baixada de impostos da historia". Afirma que o seu goberno batallará contra o desemprego, ampliará o metro e porá o investimento en I+D en 2% do PIB ao final da lexislatura. Non dixo ben como vai financiar todo iso se reduce a capacidade de recadación da facenda autonómica. Esta cuarta feira será investida cos votos de Cs e Vox.
"Un goberno liberal". É o que anunciou esta terza feira a candidata do PP, que vai cogobernar Madrid con Cs, a formación que reivindica a patente do liberalismo. Mais a xulgar polo discurso de Díaz Ayuso o que vai ter a comunidade autónoma é un goberno ultra-liberal. Unha baixada de impostos masiva e o incremento dos concertos (léase privatización) do ensino e a sanidade. Isto é o que ofrece Díaz Ayuso. Como pensa financiar os servizos públicos? Todo indica que terá que recorrer á débeda pública, un pouco a seguir os pasos do Goberno Feixoo. Na súa alocución perante a asemblea lexislativa madrileña, Díaz Ayuso tamén dedicou algunhas chiscadelas a Vox, como, por exemplo, a criación dunha consellaría de Familia. Porén, non vai tocar a lexislación que regula os dereitos conquistados polos movimentos LGTBI. Isto último desgustou notoriamente a formación liderada por Santiago Abascal, mais ninguén nos ambientes políticos madrileños dubida que a ultradereita votará si á investidura da candidata conservadora.
NOS_31840
Calquera melómano freta as mans ante un banquete de varias horas nas que Gould mostra a súa obsesión polo detalle.
Sony Classical vén de conmemorar, no pasado mes de setembro, a figura de Glenn Gould a través de dous aniversarios: o do nacemento do pianista, que o 25 de setembro cumpriría 90 anos; e as catro décadas que transcorreron desde a histórica gravación das Variacións Goldberg, a segunda que gravou tras a primeira versión rexistrada por Gould no ano 1956. A caixa escollida para esta conmemoración, titulada Glenn Gould: The Goldberg Variations – The Complete Unreleased 1981 Recording Sessions, inclúe 11 discos que conteñen todo o material recollido durante as sesións de gravación, restaurado a partir de cintas analóxicas orixinais. Ademais das tomas, escóitanse conversas entre Gould e os produtores nas sesións de gravacións, todas elas transcritas nun libro de tapa dura que contén tamén a partitura anotada, fotografías e demais parafernalia que acompaña este tipo de edicións. Cóntase que Gould desdeñou a primeira gravación das variacións de Bach que o fixeron famoso ("foi unha experiencia bastante pavorosa", seica dixo), adoptando desta vez un enfoque máis lento e expansivo. Non obstante, foi a versión de 1955 a que estabeleceu a figura de Gould como a dun pianista de dotes excepcionais: a intensidade e a alegría que contén aquela versión seguen sendo tan irresistíbeis hoxe como cando o público a escoitou abraiado hai máis de 60 anos. É ben coñecida a fama de excéntrico de Gould, que abandonou a interpretación en directo xusto cando estaba no cumio da súa fama internacional. Desde 1964 non volveu tocar en público, convencido de que servía mellor á musica nun estudio de gravación. Non obstante, unha colección como esta esperta algunhas dúbidas sobre a utilidade para a música de edicións que se compoñen, sobre todo, de tomas que o propio artista rexeitou polas máis diversas razóns. Calquera melómano freta as mans ante un banquete de varias horas nas que Gould mostra a súa obsesión polo detalle, a súa teimosía en conseguir que cada semicorchea estea situada no lugar exacto do compás no que el cre que debe estar. Mais o entusiasmo vai decaendo a medida que un se decata de que o resultado definitivo é o produto de mesturar varias tomas, de que, en realidade, toda esa sucesión de probas apuntan a un proceso de traballo que estaría mellor oculto aos ouvintes da versión definitiva. Ás veces escóitase a Gould dar unha toma por boa pero insiste en probar outra cousa: se cadra, a perfección que buscaba Gould non é compatíbel coa maxia que se produce na interpretación en vivo dunha partitura. En todo caso, sempre é preferíbel a edición que xunta as dúas versións -a de 1955 e a de 1981- para descubrir que Gould foi, tamén, un pensador sobre a música e para comprobar como ese pensamento evolucionou ao longo da súa vida. Nunha entrevista de principios de século, preguntóuselle a Howard H. Scott, o produtor que acompañou a Gould na gravación das Variacións Goldberg, que pensaría o pianista deste tipo de edicións. Se Glenn soubese que Sony Classical ía lanzar as tomas que rexeitou", contestou Scott, "probabelmente volvería de entre os mortos e dispararía a calquera que permitise que se publicasen".
PRAZA_13010
A Real Academia Galega, a Coordinadora de Equipos de Normalización, a CRTVG, Cultura Galega, a Fundación Barrié ou dous proxectos en GalegoLab presentan propostas ou contidos especiais ao redor do 17 de maio. Destaca, principalmente, o Caderno realizado pola RAG, en colaboración coa AELG, a AGE e outras entidades e que compila 50 cartaces e 50 textos dedicados ao medio cento de autoras homenaxeadas e realizados por outros tantos deseñadores e escritores de todas as xeracións.
A Real Academia Galega, a Coordinadora de Equipos de Normalización, a CRTVG, Cultura Galega, a Fundación Barrié ou dous proxectos en GalegoLab presentan propostas ou contidos especiais ao redor do 17 de maio. A Real Academia Galega dedícalle un coidado espazo ao homenaxeado na súa anovada web. Ademais da información que ofrece sobre Paz-Andrade, destaca o coidado traballo que procura homenaxear conxuntamente todos os autores e autoras que dende 1963 foron recoñecidos no Día das Letras, e que suman xa 50. A RAG, en colaboración coa Asociación Galega de Deseñadores, a AELG, a Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia, a AGE, a Federación de Libreiros, a Asociación de Bibliotecarios e outras entidades elaborou un caderno que presenta 50 cartaces doutros tantos deseñadores e deseñadoras galegas, dedicados a cadanseu autor ou autora, e que ademais se acompañan de medio cento de textos elaborados por escritores e escritoras de todas as xeracións, de Marcos Calveiro a Bieito Iglesias, pasando por Chus Pato e Rosa Aneiros. O caderno presenta 50 cartaces doutros tantos deseñadores e deseñadoras galegas, dedicados a cadanseu autor ou autora, e que ademais se acompañan de medio cento de textos obra de escritores de todas as xeracións O caderno, de 56 páxinas, será publicado o 17 de maio polo xornal Faro de Vigo de xeito gratuíto. Contará, ademais, cunha edición adicional de mil exemplares, a cargo da Asociación Galega de Editores, que será repartida por colexios e bibliotecas de todo o país. Tamén se pode descargar directamente na web da Real Academia. O caderno inclúe o manifesto titulado As letras que nos fixeron, no que se pode ler: "As palabras e as imaxes son os lugares da cultura, esa é a masa que nos une". Outras iniciativas Pola súa banda, CulturaGalega dedica integramente a súa portada neste 17 de maio ao Día das Letras e á figura de Valentín Paz-Andrade. Alí pódense atopar unha relación de documentos sonoros coa voz do propio homenaxeado así coma noticias. E tamén a conta de Gmail de Paz-Andrade: o homenaxeado nas letras mantivo unha rica e abondosa correspondencia con moitos outros galeguistas do seu tempo, como Laxeiro, Osorio Tafall, Carlos Maside ou Isaac Díaz Pardo. Aquí poden lerse esas cartas (ou e-mails). Cultura Galega permítenos ver a conta de Gmail de Paz-Andrade: o homenaxeado nas letras mantivo unha rica e abondosa correspondencia con moitos outros galeguistas do seu tempo, como Laxeiro, Osorio Tafall, Carlos Maside ou Isaac Díaz Pardo. Tamén resulta moi interesante o especial que coma todos os anos realiza a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL), que recolle os traballos realizados nos centros de ensino do país ao redor da figura e do traballo de Paz-Andrade. Alí pódense atopar varios vídeos, coma o documental sobre a vida e a obra do autor homenaxeado, realizado polos alumnos e alumnas do CPI Os Dices de Rois ou a interpretación que do empresario galeguista fan dende o IES as Barxas de Moaña. Por suposto, a páxina complétase con materiais didácticos, ligazóns e bibliografía. De igual xeito a CRTVG presenta na súa páxina un especial dedicado ás Letras, na que destacan, sobre todo, os dez vídeos sobre Paz-Andrade: programas especiais, entrevistas, reportaxes, que permiten ver e escoitar o homenaxeado, por exemplo o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Ciencias ou as súas intervencións nalgúns programas da TVG en 1985, pouco despois da inauguración da televisión pública. Outras iniciativas interesantes corresponden á Fundación Barrié, que co gallo da celebración das Letras lanza un concurso dirixido a todos os centros de ESO e bacharelato galegos, baseado na webquest Valentín Paz Andrade e o xornal Galicia, edición especial. O obxecto do concurso é a revitalización do xornal Galicia. Os participantes deben integrar contido nunha planilla, que representa a portada do periódico. Unha vez que os alumnos se dean de alta (a data límite é o 17 de maio), só terán que encher de novas esa maqueta e enviala antes do 8 de xuño. Haberá un premio aos mellores traballos individuais para o alumno ou alumna que destaque en calquera dos cinco roles que se asignan no traballo: Valentín Paz Andrade, Antón Villar Ponte, Manuel Antonio, Vicente Risco e mais Castelao. Tamén haberá un premio para o xornal mellor elaborado e maquetado no seu conxunto. Tamén cómpre destacar dous proxectos abertos en Galegolab relacionados do Día das Letras. O primeiro deles é a segunda edición do agasallo sincronizado para o mundo, no que se ofrece unha a partitura dunha canción (Ti es dos meus) para que todas as persoas que queiran fagan unha versión, e a envíe en vídeo, que se recollen nunha canle de youtube. A segunda iniciativa consiste nunha lectura global en YouTube polos 50 anos das Letras Galegas, na que se procuran 50 vídeos con distintas persoas lendo medio cento de fragmentos de obras escritas polos homenaxeados e homenaxeadas. Especial do día das Letras elaborado pola RAG, con 50 carteis dedicados aos 50 autores e autoras (.pdf)
NOS_2666
Segundo datos de Facua-Consumidores en Acción.
O recibo da luz dun usuario medio disparouse un 46,5% nas tres primeiras semanas de xuño, fronte ao mesmo período do ano pasado, apuntando así á factura máis cara de toda a historia, segundo datos de Facua-Consumidores en Acción. Segundo estimacións realizadas pola asociación sobre a evolución da tarifa regulada ( PVPC), se se extrapolan a un mes completo os prezos aplicados do 1 ao 21 de xuño, o recibo do usuario medio sería o máis caro da historia, alcanzando os 88,76 euros (impostos incluídos). Desta maneira, a factura superaría o seu importe máis alto até a data, os 88,66 euros do primeiro trimestre de 2012. Cos datos das tres primeiras semanas de xuño, a factura do usuario medio sufriría unha suba interanual de 28,18 euros, un 46,5% por riba dos 66,58 euros que representou o recibo en xuño de 2020. A factura do usuario medio do pasado maio foi de 82,13 euros. O usuario medio utilizado por Facua nas súas análises ten unha potencia contratada de 4,4 quilowatts (kW) e un consumo de 366 quilowatts hora ( kWh) mensuais. En canto ás porcentaxes de consumo nos tres tramos horarios do novo sistema de facturación, a asociación tomou como referencia o actual perfil de usuario medio sen discriminación horaria publicado pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia ( CNMC), que consome o 45% da electricidade no horario val, o 29% na horario punta e o 26% no horario 'meseta'. O prezo medio do kWh do 1 ao 21 de xuño foi de 13,66 céntimos en horario val (sempre cos impostos incluídos), 18,45 céntimos en horario 'meseta' e 30,66 céntimos en horario punta. En xuño do ano pasado, o prezo medio sen discriminación horaria foi de 11,31 céntimos e en xuño de 2019 de 13,78 céntimos. En canto á media do pasado maio, foi de 17,20 céntimos. Se se ponderan os consumos do usuario medio en cada tramo horario, o prezo medio do kWh estes primeiros 21 días de xuño ascende a 19,83 céntimos, un 75,3% por riba dos 11,31 de xuño de 2020. O prezo achégase ao pico histórico da segunda semana de xaneiro de 2021 (do 8 ao 14), cando atinxiu os 20,64 céntimos, segundo os cálculos da asociación. Facua reclama ao Goberno solucións ante "os brutais incrementos" tarifarios que continúan aplicando as eléctricas e un cambio no novo sistema de facturación por tramos horarios en vigor desde o 1 de xuño.
NOS_11016
A proposta de reforma do Estatuto de Asturias sitúa outra vez en primeiro plano a situación da variante eonaviega do galego. Unha alternativa que na opinión do movemento a prol da normalización do idioma fixa un trato discriminatorio para as 50.000 persoas residentes no espazo xeográfico e cultural delimitado polos ríos Eo e Navia.
O presidente de Asturias, o socialista Adrián Barbón, está decidido a apurar o proceso de reforma estatutaria. Un dos aspectos máis controvertidos do mesmo é a mudanza no réxime xurídico do asturiano e da variante eonaviega do galego. Tanto é así que Partido Popular e Vox xa teñen adiantado o seu voto negativo no caso de estabelecer dereitos para outras linguas diferentes á española. Porén, os colectivos que traballan pola normalización do eonaviego observan con preocupación os termos da discusión e algunhas das alternativas formuladas. O xurista e escritor Enrique González "Quique de Roxios" considera en declaración a Nós Diario que "hai unha desigualdade de trato, porque se fixa a oficialidade do asturiano para todo o territorio pero o galego-asturiano só vai ser oficial nos 18 concellos da área Eo-Navia". "Estamos vendo unha situación perigosa", continúa González, quen considera que "o idioma fica recluído nun espazo limitado e dáselle unha cualificación coa que se tenta agochar a súa filiación lingüística. A idea é convertelo nunha fala local". O profesor da Universidade de Vigo Henrique Costas sinala a Nós Diario que "a intención do Goberno de Asturias é facer do asturiano idioma oficial en todo o territorio, mesmo onde non se fala, como acontece nas terras entre o Eo e o Navia". Na mesma liña, amósase moi crítico coa proposta de denominar o idioma como "Eoanaviego, cando sempre se falou de galego-asturiano. Esta é unha iniciativa da Academia asturiana, a única do mundo que tutela dúas linguas, cuxa idea é que o idioma falado entre o Eo e o Navia non ten relación co galego". Denuncia ao Consello de Europa A alternativa recollida no articulado do novo texto estatutario confirma os temores do movemento a prol da restauración do galego de Asturias. Así, o Colectivo Eonaviego, entidade que agrupa colectivos e persoas que traballan a prol da normalización, advertía en 2019, nun informe remitido ao Consello de Europa, dunha "diferenciación clara entre a cidadanía asturiana: por un lado, os asturparlantes, cos seus dereitos ben recoñecidos, aínda que non se cheguen a plasmar con total contundencia, e polo outro os galegofalantes de Asturias, que non teñen recoñecidos os seus dereitos de atención nas administracións públicas asturianas, é dicir, os concellos onde se fala de xeito tradicional o eonaviego, sen poder, teoricamente, dirixirse ás administracións centrais do Principado de Asturias en eonaviego por unha falla de visión espacial das leis vixentes". A situación do galego en Asturias é delicada. A este respecto, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, afirma a Nós Diario que "o nivel de protección do galego en Asturias é moi inferior ao dos territorios galegofalantes de Castela-León, onde o carácter oficial do galego está recollida no Estatuto, permitindo un papel de arbitraxe dos organismos internacionais". Neste sentido, lembra que "malia que a Lei de Uso e Promoción do Asturiano de 1998 garante o ensino da variante eonaviega do galego nas etapas obrigatorias e non obrigatorias da educación, na práctica non se oferta na maioría dos centros". A perda de galegofalantes non dá tregua na comarca do Eo-Navia. Segundo sinalan desde o Colectivo Eonaviego, "os datos máis actuais, non só os das enquisas, senón o das percepcións sociais inéditas, indican un decrecemento das falantes do eonaviego tamén marcado por unha lenta perda de habitantes da zona e dun avellentamento avanzado que vai moi rápido nos concellos máis interiores". Os datos recollidos no último dos estudos sobre os usos lingüísticos na zona, elaborado en 2002, indican que o 72% dos e das residentes na comarca decláranse galegofalantes.
NOS_34353
O peso do sector industrial caeu case en 2 puntos no PIB galego, un retroceso que ten efectos en non poucos campos da estrutura produtiva da Galiza, desde os salarios até o I+D+i
A Unión Europea marcou no seu día un obxectivo para 2020: que o sector industrial represente 20% no PIB dos estados membros. A falla de poucos meses atinxir iso na Galiza semella imposíbel, máis que avanzar cara ese 20%, o peso da industria retrocede. En 2008 esa presenza era de 20%, agora é de 18,2%. Un retroceso protagonizado sobre todo pola industria manufactureira, que nesa década perde máis de 2 puntos de presenza na estrutura produtiva da Galiza, segundo o Foro Económico da Galiza. Están a ser tempos duros para o sector industrial galego: feches, desmantelamentos, EREs, redución de produtividade e ameazas de fechamento. sector industrial tamén perde presenza en canto a emprego, sendo unha das actividades máis afectadas. Hai unha mutación na estrutura produtiva galega, coa caída de sectores como o da industria mentres hostalaría e comercio aumentan presenza: de 22,6% do PIB que representaba en 2008 agora xa é 25,5%, tres puntos máis. A importancia do sector industrial nunha economía ten diversos indicadores. Un deles é que é, tradicionalmente, quen ten os mellores salarios. Así, en 2018 o soldo medio bruto en Galiza estaba en pwerto de 20.000 euros. O salario medio bruto na industria era de 23.868 euros – 4.000 euros máis- mentres que en servizos (e a economía galega está cada vez máis terciarizada) era de 18.900 – 4.000 euros menos que a media. As Pontes, Vulcano, Alcoa... son os últimos nomes de incertidume nunha lista que nestes dez anos contabiliza non poucas empresas industriais que tiveron que botar o feche sen que outras as substituísen: T-Solar, Alfageme, etc...
NOS_37133
Propoñen unha listaxe de 44 comparecentes e un novo plan de traballo; e instan o PP a rectificar a "posición absolutista" que provocou o abandono pola oposición dese organismo parlamentar por entender que se baleiraba do seu obxectivo.
Tal e como está configurado o regulamento da cámara, a oposición pode forzar a constitución dunha comisión de investigación sobre calquera materia, co límite dunha por lexislatura, mais o seu funcionamento acaba sendo sempre determinado pola forza que eventualmente detente a maioría absoluta. Neste caso, o PP. Da man da súa maioría absoluta o PP impuxo o nomeamento dos membros da Mesa da Comisión de Investigación e tamén o seu plano de traballo. E só se mostrou disposto, após un tira-puxa, a aceptar 20 das 80 peticións de comparecencia demandadas pola oposición. Entre elas ficaba fóra a dun irmán do paciente morto no PAC da Estrada. "O PP tenta aproveitar unha proposta da oposición para negar a verdade" (Luis Villares) Iso levou a que as tres forzas da oposición, En Marea, PSdeG e BNG, considerasen que esa comisión nacía morta e que se furtaba o seu obxectivo inicial e orixinal: tomar o pulso á realidade sanitaria galega. Luis Villares, Fernández Leiceaga e Ana Pontón volveron comparecer xuntos no Parlamento. Fixérono para denunciar a "posición absolutista" mantida polo PP, partido ao que acusan de querer "amordazar" a comisión de investigación, en palabras do portavoz de En Marea. As tres forzas propoñen 44 nomes a engadir na listaxe de comparecentes e un novo plan de traballo nesa comisión. Están abertas ao diálogo mais consideran que son voces que necesariamente teñen que ser escoitadas para ter un diagnóstico real e certo do tema que se trata na comisión. Familiares do paciente morto no PAC da estrada, cargos da Xunta imputados polo retraso no tratamento Hepatite C, representantes de colectivos de defensa do paciente… Unha listaxe que substenta, aponta a oposición, "un plan de traballo para chegar á verdade". Non aceptamos a doma e castración da oposición en Galiza (Fernández Leiceaga) "Comprobamos unha vez máis como o PP tenta aproveitar unha proposta da oposición para negar a verdade e converter unha comisión nun acto de propaganda do partido", lamentou Luis Villares, para quen "a cidadanía" quere saber "a verdade"sobre "a sanidade en Galiza". Leiceaga, portavoz socialista, criticou que o PP se valese da súa maioría para "impoñer unha axenda de traballo única" ao tempo que advertía que non estaba disposto a "aceptar a doma e castración da oposición en Galiza". "Queren facer dunha comisión de investigación unha comisión de absolución" (Ana Pontón) A portavoz nacionalista, Ana Pontón, explicou que a actuación do PP transformaba a "comisión de investigación" nunha "comisión de absolución" da Xunta na súa política sanitaria. Pontón insistiu na importancia e necesidade de que na comisión se puidesen escoitar "voces autorizadas" sobre a sanidade pública galega e non simplemente aquelas de interese do PP. "Como se vai investigar as consecuencias de non dispensar medicamentos ás persoas afectadas pola hepatite C sen darlle voz a plataforma de afectados, como se vai investigar o falecemento dun doente no PAC da Estrada sen darlle voz nin a familia, nin aos profesionais do centro ?", interpelou.
NOS_4568
O compromiso ético coas persoas, pero tamén co patrimonio, coa cultura, co medio ambiente, aparece de forma ineludíbel cando se indaga nalgúns dos proxectos reunidos desde esta quinta feira, día 7, e até o sábado na Mostra de Economía Social Pop Up que ten lugar no mercado de San Agostiño da Coruña, impulsada por Espazo Coop dentro do proxecto europeo LACES, que se dirixe a fomentar a economía social na eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.
Proxectos empresariais que buscan rendibilidade pero non a calquera prezo. Falamos de cooperativas, un modelo de negocio que na Galiza supera xa as 2.000 iniciativas e onde o beneficio económico cede a primacía ao beneficio social. É o caso do Mercado da Terra, unha cooperativa de traballo asociado afincada en San Xoán de Filgueiras (Ferrol) e dedicada á venda de produtos ecolóxicos de alimentacion, hixiene e limpeza, especializada en graneis. «Estabamos preocupados pola situación ambiental e como saída profesional optamos pola cooperativa», conta Vítor Santalla, enxeñeiro industrial vinculado ao activismo cultural, que se asociou hai medio ano con dous compañeiros que procedían do asociacionismo do consumo responsábel para abrir a tenda. «O primeiro que hai que dicir é que as cooperativas son empresas, que se poden dedicar a calquera tipo de actividade e que son rendíbeis». Quen fala é Ana Olveira, presidenta da Unión de Cooperativas Espazo Coop, unha entidade asociativa de cooperativas galegas que representa 200 iniciativas de economía social do país. O primeiro que hai que dicir é que as cooperativas son empresas, que se poden dedicar a calquera tipo de actividade e que son rendíbeis. Pero a diferenza doutro tipo de empresas, poñen as persoas no centro Preguntada polas diferenzas, Olveira salienta: «Unha cooperativa é mellor que unha empresa doutro tipo porque pon as persoas no centro. As decisións non buscan unha maximización de beneficios, senón que pensan nas persoas. As cooperativas non deslocalizamos, non emigramos, senon que creamos traballo no territorio, e non xeramos desigualdade, porque temos unha xestión democratica». Polo patrimonio De Cangas do Morrazo xorde a cooperativa Árbore, dedicada á arqueoloxía. «Decidímonos por unha cooperativa polo que significa a economía social, que supón unha mentalidade diferente; fronte a proxectos onde priman os obxectivos económicos, o obxectivo para nós é retornar á sociedade moito do que dá», reflexiona Benito Vilas, unha das tres persoas asociadas. A súa función, que desenvolven desde hai ano e medio, diríxese a labores de arqueoloxía, servizos técnicos de escavación e prospección, pero tamén ao traballo con asociacións, colexios ou museos. «Facemos reforestación en montes, traballamos con grupos de xente con discapacidade… E queremos poñer en valor a cultura galega tradicional, que vai morrendo, porque é parte da nosa identidade e non lle damos o valor que merece», observa. Os sprocesos de constitución dos proxectos de economía social son máis longos mais tamén máis sólidos, porque ao tomarse as decisións de forma colectiva teñen máis solvencia No mesmo sentido maniféstase Yosune Duo, da cooperativa coruñesa Plano Pementa: «O noso patrimonio está moi descoidado e queremos promovelo, sobre todo cos pequechos». A educación patrimonial é unha das patas do proxecto que mantén desde hai tres anos con dúas socias, que se centra na educación artística informal e a mediación cultural. «Cremos que a arte pode cambiar a sociedade, un concepto moi clásico pero moi difícil de aplicar», razoa. As tres integrantes de Plano Pementa atoparon no cooperativismo «unha forma que se adaptaba á nosa forma de pensar, porque o noso discurso é o da arte como panca de cambio social». Tamén na creación artística encádrase a cooperativa cultural 7H, formada en Compostela hai case cinco anos e hoxe integrada por máis de dez membros, e especializada en proxectos de inclusión social e feminismo. «A precariedade laboral está en todos os ámbitos, pero no cultural máis, e se tes que traballar pola túa conta, é imposíbel sobrevivir e medrar como profesional. A cooperativa permitiunos facer proxectos máis grandes e máis variados», relata Eva Agra, unha das sociais. Máis mulleres, máis resiliencia A presidenta de Espazo Coop corrobora o argumento: «Nos primeiros 4 anos, entre 60% e 80% das empresas desaparecen, dependendo do sector. Nas cooperativas, a mortalidade é de 20%. Os seus procesos de constitución son máis longos mais tamén máis sólidos, porque ao tomarse as decisións de forma colectiva teñen máis solvencia». Olveira ofrece outro dato. «A maioría de persoas que se suman ao cooperativismo nos últimos anos son mulleres, porque a forma de traballar é moi semellante á nosa forma de xestionar», indica. A mostra efémera da Coruña achega exemplos como o de Mulleres Colleiteiras, unha iniciativa social posta en marcha en 2013 en asentamentos con poboación xitana da Coruña, coa recollida de aceite doméstico usado como alternativa laboral. Hoxe fórmano seis socias que traballan tamén en Ferrol, Cerceda e Arteixo, e que planean unha ampliación, para asumir o proceso de valorización do residuo «e facer economía realmente circular». O Laboratorio Escénico recentemente aberto na Coruña é outra mostra. Carmen Cotelo, impulsora do proxecto xunto coa súa filla, fala da dificultade de levantar un espazo de produción e investigación nas artes escénicas –teatro, música e danza– e dos atrancos que atoparon para conseguir crédito, «precisamente por ser mulleres», aínda que tamén do apoio que prestou Espazo Coop. «Sabemos que coa cultura e a arte non imos ser ricas, e tampouco é o obxectivo, senón desenvolver un proxecto que nos satisfaga. A cooperativa é unha cuestión ética», conclúe.
PRAZA_15418
Mellorou a empregabilidade de 15.000 universitarios, as súas actividades achegaron 1,8 millóns de euros á Universidade e ofreceu 1.300 bolsas en 2011.
A Fundación da Universidade da Coruña (FUAC) convértese nun polo esencial como impulsor de emprego para os universitarios que se forman na UdC. Así o explicaron este mércores os responsables de devandita fundación, que con datos demostran que "ano tras ano as cifras da FUAC sobre inserción ao mercado de traballo dos alumnos que acoden á fundación como lanzadeira laboral ofrecen altos índices de empregabilidade". Os programas formativos da entidade privada coruñesa son un vehículo básico que axuda ao recentemente licenciado "a vencer a barreira inicial que sente cando precisa dar o salto cara ao primeiro emprego", explica nun comunicado a Fundación, que actúa como unha interfaz entre a universidade e o mundo da empresa, á que nutre de persoal altamente cualificado. "A Universidade necesita que os seus alumnos atopen emprego e as empresas buscan na súa contorna próxima aos profesionais mellor formados", lembran. En quince anos, a FUAC concedeu case 11.000 bolsas a estudantes e titulados universitarios para realizar prácticas en 900 empresas Así, e segundo os datos, e só no capítulo de formación, en quince anos a FUAC concedeu case 11.000 bolsas a estudantes e titulados universitarios para realizar prácticas en 900 empresas. No período 2005-2010, a media reflicte que conseguiron emprego ao finalizar estas prácticas o 73% dos estudantes. Esta porcentaxe ascende até o 77% entre os que conseguiron un contrato laboral no tres primeiros meses despois do período bolseiro. No ano 2011 consolídase aínda máis como a primeira entidade de Galicia en número de prazas ofertadas con 1.300 prácticas. Dentro dos plans integrais de emprego da Xunta, a FUAC conseguiu, a través do programa Uninsert, que o 71% dos participantes obtivesen contratos laborais e que se creasen seis empresas, resultados que fixeron que fose "a segunda mellor institución de Galicia neste programa do goberno galego". A Fundación ademais formou 3.400 universitarios da UdC a través dos seus plans de formación intensiva para mellorar a empregabilidade. A isto súmanse outros 600 que puideron mellorar os seus coñecementos como emprendedores e apoialos na creación de novas empresas baixo o seu asesoramento e axuda. A FUAC impulsou ao mercado laboral a 15.000 universitarios Xa que logo, a FUAC impulsou ao mercado laboral con resultados de gran eficiencia a 15.000 universitarios. 11.000 a través de prácticas, 3.400 en programas formativos propios e 600 que foron orientados e apoiados como emprendedores. Administración e Dirección de empresas é a titulación con maior demanda laboral da UdC. Séguenlle, titulacións como enxeñaría técnica industrial, diplomatura en Ciencias Empresariais, Enxeñeiro informático, arquitectura, dereito, turismo e diplomado en relacións laborais. Así mesmo, creáronse actividades para promocionar o I+D+i nas que entraron a formar parte 1.000 empresas. Actualmente, un total de 160 organismos nacionais e internacionais forman parte da rede de colaboradores da FUAC, a través dos cales é posible desenvolver proxectos de innovación. No ámbito xeográfico máis próximo, 200 Pemes melloraron a súa competitividade grazas a diagnósticos dos profesionais da fundación. Do mesmo xeito, o seu labor directo co mundo empresarial reflicte un balance de 1.000 contratos de I+D (universidade-empresa) con máis de 700 empresas participantes, cun investimento por encima dos 25 millóns de euros. Os proxectos desenvolvidos desde a FUAC facilitaron a contratación de 180 investigadores, que puideron asinar contratos de traballo ligados a proxectos de colaboración con empresas. En total, no campo da innovación e a cooperación internacional, a FUAC impulsou 70 proxectos de cooperación para fomentar iniciativas innovadoras de conexión entre empresa e universidade. Entre os seus logros cómpre sinalar que foi valorada como Exemplo Europeo de Boas Prácticas en xestión e coordinación de Programas de Cooperación Territorial Europea. Así, a "xestión responsable, cun modelo baseado na autofinanciación de todas as súas actividades", é outra das características que destaca a FUAC. Ademais de autofinanciar as súas accións, a fundación achegou ás arcas da UDC 1,8 millóns de euros.
NOS_36081
O relevo de López Veiga, actual presidente, producirase de modo "inminente"
O ex conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, substituirá Enrique López Veiga á fronte da presidencia da Autoridade Portuaria de Vigo de modo "inminente". Segundo confirmaron a Europa Press fontes da Xunta, este relevo producirase proximamente tras a publicación do novo nomeamento no Boletín Oficial del Estado (BOE) e o Diario Oficial de Galiza (DOG). Deste modo, López Veiga, que accedeu á presidencia do Porto de Vigo en 2015, será substituído por Vázquez Almuiña, que até o comezo da nova lexislatura foi titular do departamento de Sanidade, que agora dirixe Julio García Comesaña. Por outra banda, a presidencia da Autoridade Portuaria da Coruña tamén será renovada. Así, o concelleiro no consistorio coruñés e deputado do PP no Parlamento galego, Martín Fernández Prado, substituirá Enrique Losada, quen estivo á fronte desta responsabilidade durante un dez anos despois de asumir a substitución de Macario Fernández-Alonso. AS autoridades portuarias entran no marco de competencias do Estado, a través de Puertos del Estado (Ministerio de Fomento), mais o nomeamento dos seus presidentes cédese á Xunta.
NOS_45228
Após a detención dun mozo galego ao que se lle aplicou a Lei antiterrorista concoca para hoxe unha concentración en Compostela
"Se nos tocam a umha, tocam-nos a todas" é o lema da concentración que se convocou para hoxe na Praza do Pan (Cervantes) en Compostela a partir das 20 horas. A protesta xurde após a detención dun mozo galego ao que lle foi aplicada a Lei antiterrorista polo que está incomunicado e, segundo algunhas fontes, camiño da Audiencia Nacional en Madrid. @s convocantes denuncian que foi "torturado no monte" e exixen a súa liberación inmediata.
NOS_8764
O presidente da RAG defende a elección do homenaxeado no próximo Día das Letras como defensa "dos eruditos" a pesar de recoñecer, con frases abertas a unha interpretación elitista, o limitado interese que espertará.
"Sabemos que non o van ler os taxistas ou os farmacéuticos". A frase é de Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, e adiantábase así -abrindo portas á interpretación elitista- a unha das polémicas -a outra é de perfil aínda máis político- que xa acompañan á designación de Xosé Filgueira Valverde como figura homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2015: a de colocar no centro da difusión da cultura galega a un persoeiro apenas coñecido, de forte carácter academicista e que, con toda probabilidade, non obterá apenas repercusión alén do ritual das institucións e a atención dunha minoría intelectual. Deixando á parte toda a discusión xa en marcha pola condición de Filgueira Valverde como alcalde de Pontevedra durante a etapa franquista ou persoa decisiva na instalación de Ence nesa Ría, dende o punto de vista máis circunscrito ao cultural, a decisión de RAG ofreceu sinais que apuntan a un xeito de resistencialismo por parte da institución, polo menos esa foi a representación pola que optaron os membros que comunicaron o gañador á prensa, talvez tamén intentando así achegar liñas de debate alternativo ao máis directamente político. "A Academia tiña unha débeda con el", coincidiron en sinalar tanto Alonso Montero como Xosé Ramón Barreiro, que foi quen propuxo á figura elixida, e Francisco Díaz-Fierros, gran coñecedor da obra do escritor escollido, que foi elixido á terceira votación. O ton da rolda de prensa por parte de Alonso Montero tivo ecos de auto-defensa gremial: "É que non se pode ser erudito?" Porén, foi Alonso Montero o que por petición propia -se cadra desvelando o debate interno- propuxo unha serie de argumentos na rolda de prensa que soaron a auto-defensa. "Sabemos que na sociedade, sobre todo na máis culta, vai haber algunha polémica por esta elección, xa que cando se fala do Día das Letras sempre se pensa, por exemplo, en que a figura homenaxeada permita unha tradución eficaz no eido escolar e somos conscientes de que Filgueira Valverde non vai ter ese atractivo que tiveron outro tipo de escritores", afirmou, para despois mesmo concretar "en definitiva non vai ser lido por taxistas ou farmacéuticos". Mesmo comparou o previsíbel nulo tirón popular de Filgueira co que si tiveron "Lois Pereiro como poeta maldito no mellor sentido da palabra ou Vidal Bolaño polo xogo pedagóxico que ofrece o teatro", incluso -segundo a súa opinión- por "un Díaz Castro que foi recitado e musicado". Non alcanzará ese rexistro o protagonista literario do 17 de maio de 2015, asume o presidente da Academia, mais defende a escolla con orgullo sectorial: "É que non se pode ser erudito neste país? Coido que tamén se poden premiar perfís máis académicos". Polígrafo Alonso Montero defendeu a Filgueira Valverde como "o último gran polígrafo que deu Galiza xunto a Otero Pedrayo" e destacou tamén as súas incursións na prosa e na "poesía neotrobadoresca". Pola súa parte, Barreiro definiuno como "home sabio cunha personalidade desbordante" e Díaz-Fierros gabou o seu traballo no Seminario de Estudos Galegos e no Museo de Pontevedra. Non houbo na rolda de prensa mencións ao labor político desenvolvido polo escritor despois do 36. Si unha mención para @s que non obtiveron apoios e quedaron polo camiño á espera de ser homenaxead@s outro ano: Manuel María, Carvalho Calero, Xela Arias e Fernández de la Vega. A tod@s superou en votos Xosé Filgueira Valverde, investigador das letras. Un home da alta cultura que a RAG promocionará con toda a maquinaría do Día das Letras a pesar de asumir que o seu alcance será moi limitado.
PRAZA_6360
AGE e BNG piden explicacións polas cargas policiais e o delegado do Goberno de España acúsaos de "incitar a violencia". O alcalde de Santiago censura que as protestas anti troika non se celebrasen nunha data na que a chanceler alemá non estivese en Compostela.
O posto para Luis de Guindos no Eurogrupo, a situación en Ucraína e Gaza, a unión bancaria, o desemprego e, por suposto, os recortes. Tamén Catalunya e mesmo a reforma electoral que o PP impulsa en solitario para ilegalizar os gobernos municipais de coalición. Son os principais asuntos abordados pola chanceler alemá e o presidente do Goberno de España nas xuntanzas que mantiveron durante dous días en Santiago e na rolda de prensa na que deron conta deles. Así, alén das referencias ás paisaxes e á monumentalidade de Compostela, Galicia e o seu Goberno estiveron ausentes da axenda de Angela Merkel e Mariano Rajoy. Así e todo, a Xunta mantén que o país terá "froitos" da visita da mandataria alemá. Despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tivese un papel secundario en todos os actos este martes o seu vicepresidente, Alfonso Rueda, non aforrou eloxios para a visita, "fundamental para a proxección de Galicia". "Seguro que calquera outra cidade de España estaría encantada de acoller esa xuntanza", di Rueda, que considera "importantísimas" as imaxes do Camiño de Santiago "difundidas por toda Europa". En declaracións aos medios o número dous do Executivo admitiu, así e todo, que "o importante é o que se falou" nas xuntanzas. E, nesa parte importante, cales serán as consecuencias para Galicia? Rueda defende que "se se trataron temas europeos, serán de interese para Galicia" Nos encontros de traballo das delegacións españoal e alemá falouse "de Europa, con todo o que se xoga Galicia". "Estou seguro de que, se se trataron temas europeos, serán de interese para Galicia", abonda, nun contexto no que, mantén, a estancia "dunha persoa con tanta influencia" na capital galega traerá consigo "froitos" para o país. O vicepresidente retrucaba deste xeito ás críticas da oposición pola ausencia de Galicia nos temas tratados e facíao desdeñando os grupos distintos do PP, os cales "é moi díficil qeu vexan nada positivo aínda que o teñan diante das narices", sentencia. Juárez defende as cargas policiais fronte a AGE e BNG Ademais deses abstractos "froitos" para Galicia Alfonso Rueda defendeu tamén a actuación policial contra a manifestación anti troika, unha defensa que foi aínda máis vehemente dende a Delegación do Goberno de España en Galicia. O seu responsable, Samuel Juárez, non aforrou críticas para a CIG, o BNG e AGE mentres que defendeu a actuación dos antidisturbios que, di, se limitaron a "facer o seu traballo" e "defenderse" cunha carga policial na que, entre outros, resultou ferido o voceiro municipal do Bloque en Compostela, Rubén Cela. "Tentaron traspasar o cordón policial pola forza e a Policía tivo que defenderse desa agresión e desa violencia", resolve, mentres o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, critica que as mobilizacións non se celebrasen nunha data diferente á da visita oficial. O BNG estuda iniciar accións legais pola carga policial e AGE promove a reprobación do delegado do Goberno central Mentres Juárez acusaba as organizacións convocantes e participantes na protesta de "incitar a violencia" dende o BNG a súa responsable de política municipal, Goretti Sanmartín, confirmaba que a formación frontista, ademais de pedir explicacións no Congreso dos Deputados pola carga policial, está a valorar "emprender accións" legais. "A convocatoria do BNG non alteraba os actos institucionais" e as persoas convocadas, "militantes e non militantes do BNG", non puideron "desenvolver con liberdade a súa protesta". "Denunciamos a actuación policial e amosamos o noso malestar por non deixarnos amosarlle á señora Merkel os verdadeiros problemas que temos en Galiza", di. Tamén AGE, a través da súa vicevoceira, Yolanda Díaz, censura as cargas policiais e esixe "unha rectificación inmediata" das declaracións de Juárez. Díaz "lamenta" que "unha persoa que ostenta un cargo da súa responsabilidade teña a pouca sensatez de atacar e sinalar co dedo" sen "ningún tipo de proba nin coñecemetno ningún da realidade". "En ningún momento se deu un comportamento violento por parte da cidadanía, senón que foi unha protesta pacífica" que non "xustifica a brutal, desproporcionada e inxustificable carga policial", pola cal Alternativa promoverá a reprobación do delegado gobernamental a través de iniciativas no Parlamento.
PRAZA_4471
Nas democracias occidentais téndese a que o Dereito electoral sexa materia consensuada e, de feito, moitos Estatutos autonómicos esixen maiorías de dous terzos para reformar as regras do xogo electoral, mais non é o caso de Galicia
O PP ven de promover a redución dos deputados do Parlamento de Galicia dos 75 actuais a 61. O certo é que nas democracias occidentais téndese a que o Dereito electoral sexa materia consensuada e, de feito, moitos Estatutos autonómicos esixen maiorías de dous terzos para reformar as regras do xogo electoral, mais non é o caso de Galicia onde xa o Presidente Fraga limitara a proporcionalidade democrática ao esixir o limiar do 5% de votos para acceder ao Parlamento, no canto do 3% que existía antes do 1993. Nas democracias occidentais téndese a que o Dereito electoral sexa materia consensuada e, de feito, moitos Estatutos autonómicos esixen maiorías de dous terzos para reformar as regras do xogo electoral, mais non é o caso de Galicia O "leit motiv" da reforma disque é o aforro. 14 deputados menos poden ser, canto máis, 3M€ de aforro/ano, moi inferior ao que se acadaría de rebaixar a retribución dos 75 deputados a 3000 €/ano, como propuxeron os galeguistas de CXG en xuño deste ano. E, dende logo, de se tratar de eliminar duplicidades e afinar as nosas Institucións nada semellante ao aforro que acadaríamos de suprimirmos as Deputacións (30 M€/ano só en cargos representativos-108 deputados e 4 presidentes- e asesores), os Subdelegados e Delegado do Goberno ou os totalmente prescindíbeis -na súa función actual- senadores. Esixía outra axilidade política ás tres forzas da oposición parlamentar (PSdeG, BNG e AGE), quer pactando contraprestacións, como a rebaixa do limiar de acceso ao Parlamento ao 3 por cento ou unha mellora da proporcionalidade territorial Ninguén pode dubidar da legalidade estatutaria da reforma, da súa presenza no programa electoral popular nin da súa conexión cidadá co falso "mantra" da austeridade. O que esixía outra axilidade política ás tres forzas da oposición parlamentar (PSdeG, BNG e AGE), quer pactando contraprestacións, como a rebaixa do limiar de acceso ao Parlamento ao 3 por cento ou unha mellora da proporcionalidade territorial, quer asumindo unha posición unitaria en contra da reforma que fixera ouvir que o seu obxectivo era degradar a representatividade electoral. Velaí como a oposición parlamentar amosou outravolta a súa incapacidade para xerar un relato alternativo, deixando a iniciativa no centro do campo ao PP de Feijoo. As regras do xogo electoral serán, pois, menos xustas despois da Semana Santa. E o Dereito electoral galego agardará pola reforma que lle dea meirande proporcionalidade e representatividade, suprimindo eses inxustos limiares do 5 por cento e garantindo normas democráticas esenciais como as candidaturas abertas, a posibilidade de revogación a metade dos mandatos ou mesmo a circunscrición electoral única.
NOS_34938
O Math Up comezará este sábado en Cáceres a súa aventura estatal como primeiro club oficial galego de 3x3, unha modalidade de baloncesto olímpica que medra cada día na Galiza.
O 3X3 de baloncesto, unha variedade de baloncesto que se popularizou na rúa, cada vez está máis estendido na Galiza. Nos últimos anos proliferan os torneos e este verán vén de nacer o primeiro club oficial deste deporte que tivo o seu debut oficial como disciplina olímpica nos Xogos de Toquio de 2020. A iniciativa partiu do Match Up de Compostela que convenceu o Club Baloncesto Santa Baia de Boiro das posibilidades desta disciplina para incluíla como sección. A súa estrea será este sábado na Liga 3X3 Indoor en Cáceres contra o B-Mood Basket. Carballo acollerá o domingo a final da Copa Galiza de baloncesto EBA Match Up creouse en 2017 para participar en torneos over40 e competiu desde entón en máis de 20 torneos nacionais e internacionais, conseguindo varios títulos nesta categoría máster. Un dos seus xogadores, Miguel Estévez, relata a Nós Diario que os seus inicios partiron uns anos antes coas reunións en Compostela "de xente que practicaba baloncesto de nivel medio" e que comezaron a competir "a nivel nacional e internacional". Pouco tempo despois recibiron o convite para participar nun torneo en Portugal este pasado mes de xullo, "un país que ten moito máis adiantada a súa liga e hai moito nivel", co resultado de que quedaron campións. Crear un club Con este e outros bos resultados, e coincidindo co incremento de torneos 3x3, créase a entidade Match Up 3x3 Sénior. O equipo está composto por xogadores de varios puntos do Estado español aínda que na súa maioría galegos, a carreira deportiva dos seus membros foi maioritariamente semiprofesional, e mesmo algún chegou, no seu momento, a debutar na liga ACB. Cos éxitos deportivos pensaron na posibilidade de acceder a campionatos oficiais máis ambiciosos. "Para participar nestes torneos tiñamos que entrar na ficha da Federación Internacional de Baloncesto (FIBA) introducindo os datos dos xogadores e comezamos a subir no ránking", explica Estévez. Co anuncio do inicio do primeiro torneo Indoor estatal este inverno presentaron a solicitude de participación e foron escollidos entre os 12 que competirán esta tempada. O baloncesto galego masculino ten unha cita coa Copa Galiza, desta vez en Ourense Para completar o proceso de inclusión nesta competición tiñan que estar constituídos como club ou formar parte dunha entidade xa fundada. "Xente do club era do Barbanza e falamos co Santa Baia de Boiro que aceptou a proposta", sinala este xogador. A Liga 3X3 Indoor A competición en que participarán os galegos realizarase en sete sedes ademais doutra que acollerá a final. Match Up visitará Cáceres (Estremadura), Tarragona (Catalunya), Sevilla (Andalucía), Cidade Real (Castela-A Mancha), València (País Valencià), Bilbo (EuskalHerria) e Oviedo (Asturies). Todos os equipos sumarán puntos dependendo da súa clasificación e unha vez sumados eses puntos de todos os torneos, o equipo que máis puntos consiga ao finalizar os oito torneos, levará o premio final. Tamén hai participación feminina e terán prioridade aqueles que xoguen toda a liga, así como os equipos que participen tanto en masculino como en feminino en todo o circuíto. Cada equipo poderá inscribir até seis xogadoras ou xogadores e para cada torneo.
NOS_34195
Por vez primeira dúas mulleres son as galardoadas con este recoñecemento convocado polas catro deputacións e Xunta.
A pedagoga e ensinante Antía Cal e a escritora Mª Xosé Queizán son as gañadoras do Premio Otero Pedrayo, convocado polas catro deputacións e a Xunta e organizado nesta edición pola Deputación da Coruña. O premio está dotado con 16.000 euros. O Premio Otero Pedrayo recae por primeira vez en dúas mulleres, pioneiras no mundo do ensino e do uso do galego na escola no caso de Antía Cal e na defensa dos dereitos das mulleres desde todos os ámbitos, de maneira especial desde o literario, ensaístico e activista, María Xosé Queizán. Desde a súa creación hai xa máis de corenta anos, a pasada edición foi a primeira vez que unha muller, Margarita Led. A mestra e pedagoga Antía Cal (La Habana, 1923) foi durante o seu tempo como ensinante un referente da nova pedagoxía que busca en modelos anovadores que daquela nacían en Europa, nunha época na que a escola estaba dominada polo franquismo. Ademais de ensinar, trata de completar a educación creando materiais didácticos dos que nace a enciclopedia 'O libro dos nenos' e o volume 'A arte e a súa historia', escritos en galego nos anos cincuenta. Do encontro cos novos movementos pedagóxicos nace a Escola Rosalía de Castro que ela crea en Vigo, un centro laico, plural, diverso, democrática e conectada co mundo que a rodeaba. Antía Cal deixou a súa traxectoria escrita na súa autobiografía Este camiño que fixemos xuntos, un volume que mostra unha muller emprendedora, de grande amor ao país, a súa lingua e a súa cultura e exemplo de mestra que cre no poder e na necesidade dunha escola participativa e galega. A escritora Mª Xosé Queizán (Vigo, 1939) conta cunha intensa traxectoria na literatura e tamén no activismo centrado, de maneira especial, na defensa dos dereitos das mulleres. Queizán é pioneira na teorización do movemento feminista desde a situación que vivían e viven as mulleres galegas que se reflicte nun amplo corpus ensaístico mais tamén nos outros xéneros literarios que a autora visitou. O obxectivo do premio é, ademais de perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo no campo das letras e o coñecemento, premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promocionar os valores propios de Galiza. O premio foi creado en 1977 e o escritor Carlos Casares foi o primeiro galardoado dunha listaxe que incluiría personalidades e entidades como Isaac Díaz Pardo, Francisco Fernández del Riego, Antón Fraguas, Xaquín Lorenzo, Fundación Otero Pedrayo, Manuel María e Uxío Novoneyra, Centros Galegos de Bos Aires e Montevideo, Museo do Pobo Galego, Real Academia Galega e Laboratorio de Formas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Neira Vilas ou, na última edición, Margarita Ledo Andión, a primeira muller premiada.
NOS_15530
No editorial do último Avante, o órgão do comité central, o Partido Comunista Português acusa o presidente da República de estar a trabalhar para a continuidade da direita no governo.
Os 17 escanos da CDU, a coligação liderada polo PCP, são chave para fazer governo de esquerda no palácio de São Bento. A adição PS (86 assentos) e Bloco de Esquerda (19) ficaria aquém dos 106 escanos obtidos o 4 de Outubro por Portugal à Frente. Esta quarta feira já foram apurados os votos dos distritos da emigração. A abstenção ultrapassou o 88% e os 4 escanos da diáspora distribuíram-se assim: 3 para a plataforma da direita e 1 para o PS. Não altera isto nada o balanço de forças na câmara: o arco que viesse dar suporte a um governo de esquerda atingiria 122 assentos, 6 por cima da maioria absoluta. Mas as coisas não são assim de fáceis. Continuam as intensas pressões por todos os flancos sobre o PS, que ainda não tem tomado uma decisão definitiva a respeito do que fazer, embora seu secretário geral, António Costa, se inclinar pelo acordo com Bloco e CDU. Esta quarta feira, a RTP, a televisão pública, entrevistou o eurodeputado socialista Francisco Assis, velho aspirante, já derrotado face António José Seguro, à secretaria geral. Não só amostrou a sua disposição a lutar pela liderança do partido como também discutiu a virada à esquerda sugerida estes dias por António Costa. A aposta em Assis não é ir ao governo, mas se manter na oposição à Portugal à Frente (o que necessariamente supõe deixá-lo governar: sem os votos do PS na câmara -no mínimo a abstenção- Passos Coelho não poderia obter a aprovação do seu programa de governo). António Costa ressalva que se tem deitado por terra o "muro" que desde 1975 fez impossível a comunicação entre PS e PCP O secretário geral do PS esteve em Bruxelas e manteve o básico do seu discurso. O mais salientável, a ênfase em dizer que nestes dias se tem deitado por terra o "muro" que incomunicou desde o ano 1975 os distintos blocos da esquerda, a social-democracia que representa o seu partido e o marxismo do PCP. Este depoimento significa rachar com uma política quase estrutural do PS, marcada naquela altura, apenas um ano após a revolução dos cravos, por Mário Soares, com muito o vulto mais destacado na história do partido. Com o derrubo desse "muro" poderia chegar o acordo parlamentar que viesse permitir a formação dum governo presidido por Costa. Aliás, a aliança não vai ser "fácil", ressalva o PCP num editorial publicado esta quinta feira no Avante. Isto não significa que a formação comunista não esteja disposta a viabilizar a constituição dum executivo socialista. Sim que o está. De facto, o editorial do Avante diz com clareza: O PS só não formará governo se não quiser, tendo que escolher entre dar aval e apoio à formação de um governo PSD/CDS ou tomar a iniciativa de o formar já que tem garantidas condições para a sua formação e entrada em funções. O Avante denuncia, aliás, a cumplicidade dos meios e também do presidente da República com os movimentos de distintos actores em favor da continuidade do governo de direita.
NOS_12103
A convocatoria dun plebiscito ilegal, o boicot á Asemblea Nacional Constituínte, o descoñecemento da autoridade do goberno constitucional de Nicolás Maduro, o conflito entre poderes públicos, a violencia nas rúas ou mesmo un posíbel golpe de Estado fan parte da estratexia de oposición antichavista para acabar coa revolución bolivariana.
Este domingo encetou a campaña electoral para a designación dos 545 deputados e deputadas que integrarán a Asemblea Nacional Constituínte (ANC), convocada polo presidente Nicolás Maduro facendo uso das súas atribucións constitucionais e baixo a dirección do Consello Nacional Electoral. 6.520 candidatos e candidatas concorren ao proceso que culminará na votación do 30 de xullo. No entanto, o boicot promovido pola dereita opositora contra a ANC ameaza a celebración dos comicios e anticipa que os seus resultados serán descoñecidos polo antichavismo. O boicot da dereita á Asemblea Nacional Constituínte persegue profundar na crise política e institucional A crise política en Venezuela debrúzase desde hai meses sobre un duro confronto de lexitimidades. A oposición, decidida a facer caer a revolución bolivariana e o goberno constitucional de Nicolás Maduro, optou por lle virar as costas a toda a institucionalidade do país. A dereita descoñece o goberno de Maduro, mais tamén institucións como o poder xudicial, principiando polo Tribunal Supremo de Xustiza, o defensor do pobo ou a contraloría xeral da república. Nesa estratexia, que tenciona facer implosionar o réxime constitucional venezuelano, os partidos da oposición decidiron convocar un plebiscito ilegal e desautorizado expresamente polo Consello Nacional Electoral, para o vindeiro 16 de xullo. A escolla da data, anticipándose á elección da ANC, non é nin moito menos casual. Engádese tamén o agromar de "traicións", como as cualifica o xornalista e ex ministro José Vicente Rangel, coas que o antichavismo pretende alentar a hipótese dun golpe militar contra Nicolás Maduro. Con esa ameaza como pano de fondo, o presidente vén de ratificar no seu cargo ao xeneral Vladimir Padrino como ministro de Defensa e de ordenar unha reconfiguración da cúpula da Forza Armada Nacional Bolivariana. Chamamento ao diálogo O diálogo está absolutamente roto. Unha ruptura que conta coa beizón dos poderes fácticos, os mesmos que en 2002 promoveron o fallido golpe contra Hugo Chávez. Entre eles está a Conferencia Episcopal venezuelana que, contradicindo os chamamentos do Papa Francisco a reiniciar as conversas, ten iniciado nos últimos días unha nova ofensiva contra o goberno, acusándoo de pretender instaurar un "réxime marxista e militar" no país. Maduro volveu propoñerlle á oposición constituír unha nova mesa de diálogo político que procure un "acordo de paz". Pola súa banda, o goberno venezolano insiste na súa aposta pola paz. Este mesmo sábado, Nicolás Maduro propuña aos grupos da oposición a conformación dunha nova mesa de diálogo, baixo o arbitrio da Comunidade de Estados Latinoamericanos e do Caribe (CELAC). "Volvo a facer unha proposta. Fago un chamado a instalar unha mesa de diálogo de conversacións políticas e atinxir un grande acordo asinado por todas as partes: das forzas bolivarianas e as contrarevolucionarias. A un grande acordo de paz que sexa verificábel, cumplíbel e coa participación dos cinco países da Celac" anunciou o mandatario desde un acto público en Azoátegui. Nos últimos tres meses, a vaga de violencia promovida pola oposición resultou en 90 persoas falecidas, 1.500 persoas feridas e importantes danos tanto en propiedades públicas como privadas. Hai 4.658 persoas procesadas diante da Xustiza. Excarcelación de Leopoldo López O chamado de Maduro prodúcese apenas un día despois da concesión polo Tribunal Supremo de Xustiza da prisión domiciliaria a Leopoldo López, o dirixente opositor condenado a trece anos de prisión pola súa participación na vaga de violencia que en 2014 custou a vida de 43 persoas. "Oxalá esta medida [a prisión domiciliara] sexa entendida e o señor LL [en alusión a Leopoldo López], despois de case catro anos na prisión militar de Ramo Verde, lance unha mensaxe de rectificación e de paz, porque o país quere paz", asegurou Maduro logo de expresar que o executivo venezuelano "acata" a decisión xudicial a prol de López. Conflito prolongado Diante do enquistamento do conflito en Venezuela, existen diferentes perspectivas e puntos de vista a respeito de como pode evolucionar a situación. Unha das hipóteses é a da posibilidade dun conflito prolongado que se expresaría, entre outros, na existencia dun "duplo goberno". Esta opción é a apuntada polo sociólogo e xornalista Marco Teruggi. Para Teruggi a incapacidade da oposición de lograr unha correlación de forzas que lle permita tombar o goberno, quer pola vía do apoio popular ou pola do golpe militar, traducirase no alargamento da crise política que vive o país. Un conflito prolongado que na súa opinión desenvolverase sobre dous eixos: o político e o armado. No primeiro caso, os plans pasarían por, ademais de non recoñecer o goberno de Maduro e a ANC, "avanzar na creación de novos poderes públicos". Iso suporía poñer en marcha "un goberno paralelo". Un obxectivo ao que servirá, segundo o analista, o plebiscito convocado pola oposición para o próximo día 16. "A cuestión non é se o plebiscito será legal ou non, nin canta xente votará, do que se tratará será de anunciar/validar internacionalmente esa estratexia". Porén, esa vía enfrontará o problema de "lograr darlles peso real aos poderes", cuestión na que Teruggi se mostra certo de que a dereita fará uso da violencia, o que podería provocar un conflito armado a maior escala. As eleccións da ANC, o 30 de xullo, serán chave para definir cara onde evoluirá a situación do país O resultado do proceso de elección da ANC tórnase un fito chave para o desenvolvemento do conflito político en Venezuela. "Unha alta participación [nos comicios do día 30] daríalle lexitimidade e base política ao chavismo. Un escenario contrario agudizaría a confrontación", explica o sociólogo residente en Venezuela. No entato, Teruggi alerta de que "a dereita fará todo o posíbel para non chegar a esa data, e ese día o máis probábel é que montará un esquema de asedio aos centros de votación, as estradas, os transportes, despregando a súa estrutura armada e a pantalla pública da súa nova ferramenta en construción: os Comités de Recate da Democracia". Para o analista a resolución do conflito non se antolla rápida. "O ciclo que se abriu a principios de abril non parece ter unha resolución próxima. Os EUA decidiron empurrar a Venezuela até os seus propios límites políticos, sociais, culturais, comunicacionais e armados. Queren retomar, a través da dereita no gobermo, o poder político, subordinar a economía aos seus intereses e despregar un desquite masivo sobre un movemento histórico", prognostica. Outros escenarios O tamén analista e director de Datanálisis, Luís Vicente León, figura de grande ascendencia entre a dirección da oposición venezuelana, describe tres escenarios para Venezuela. No primeiro, o chavismo lograría conservar o poder, pero a crise e a convulsión social continuarían e a oposición acusaría desgaste. No segundo, produciríase o que define como "implosión con negociación tutelada". Nese caso, un "liderado que supere os demais" dirixiría a masificación dos protestos, provocando unha situación de ingobernabilidade que acabaría por provocar a fractura no chavismo, empurrando á cúpula militar a "rescatar a estabilidade" impoñendo unha negociación da reestruturación institucional, reservando cotas de poder para o chavismo, e poñendo en marcha un goberno de transición. O terceiro, sería o dun golpe de Estado militar de vello tipo, auspiciado por algún dos "movementos conspiradores" existentes no exército, sen negociación nin transición.
NOS_38098
Fóronlle entregados polo senador republicano John McCainn. Nunha comparecencia no Senado, o director do FBI, James Comey, declinou precisar se están a investigar Trump. O presidente eleito xurará o cargo o 20X.
Segundo o dossier feito chegar ao FBI por John McCain, o presidente eleito tería mantido contactos secretos con Moscova e a intelixencia rusa disporía neste momento de material comprometedor para Trump co que tería a capacidade de o chantaxear. Que o FBI se fixese con este material de mans dun senador republicano mostra até que ponto no partido da direita estadounidense existe un importante sector claramente contrario ao presidente eleito. A equipa de transición de Trump -o que está a preparar a aterraxe do magnate na Casa Branca, axendada para o 20X- negou categoricamente a verocidade dos documentos e a existencia de calquera tipo de contacto secreto con Moscova. O propio Trump, especialmente prolífico nas redes sociais, empregou a súa conta twitter para, de forma oblicua, se referir ao asunto e clasificalo como un episodio máis da "caza de bruxas" que, segundo el, está a sofrer desde que, contra prognóstico, se impuxo nas eleccións presidenciais a Hillary Clinton. FAKE NEWS - A TOTAL POLITICAL WITCH HUNT!— Donald J. Trump (@realDonaldTrump) 11 de janeiro de 2017 Os contactos de Trump con Moscova teríanse producido ao longo dos últimos cinco anos e atinxirían non só a esfera política, senón tamén a empresarial. Así, o magnate tería declinado ofertas de participar en investimentos inmobiliarios asociados ás obras programadas arredor do Mundial de Fútebol 2018 -que se realizará en Rusia-. Aliás, en troca, tería aceitado ser destinatario dun regular fluxo de información de intelixencia sobre as actividades do Partido Demócrata e "doutros rivais políticos", verosimilmente aqueles que lle disputaron a elección como candidato á presidencia por parte do Partido Republicano. Os servizos de intelixencia rusos, segundo este dossier, manexarían neste momento información sobre Trump tan delicada como para ter a capacidade para o submeter a chantaxe. A cuestión central agora é elucidar agora se estes documentos son veraces ou non. Esta terza feira, CNN informou de que o FBI está a investigar sobre a súa credibilidade. En todo caso, o material pasou a engrosar o dossier elaborado pola policía federal e a CIA sobre a suposta inxerencia rusa nas eleccións presidenciais (a favor de Trump e en contra de Clinton), interferencia que a intelixencia norteamericana dá por descontada. O confronto entre o FBI e a CIA co presidente eleito espella as tensións que se viven no seo das elites de Washington Trump tense empregado a fondo para deitar dúbidas sobre as conclusións da intelixencia norteamericana sobre a acción dos hackers rusos durante as eleccións á presidencia. O confronto entre o FBI e a CIA co presidente eleito espella as tensións que se viven no seo das elites de Washington desde que Trump desafiou o establishment do seu propio partido (controlado nos últimos anos pola familia Bush) para logo enfrontar o combate con Hillary Clinton. Como chegou o material a mans de McCain? O senador republicano revelou que foi informado da existencia do dossier por un intermediario dun estado occidental aliado dos EUA. McCain enviou fóra do país a un emisario a ter unha entrevista coa fonte informante. Ao ficar impresionado pola leitura dos documentos, resolveu entregalos en persoa ao director do FBI, James Comey, nun encontro persoal que se tería producido o 9 de decembro.
PRAZA_4502
A razón principal para decretar o estado de "zona perigosa" foron os supostos disturbios contra unha comisaría que, segundo as declaracións dos axentes, non sucedeu como explicaron nun primeiro momento.
A policía de Hamburgo decidiu o xoves á tarde limitar a "zona perigosa" declarada o pasado sábado no centro da cidade ás inmediacións de tres céntricas comisarías. Esta medida excepcional foi decretada pola policía por mor dunha manifestación contra o desaloxo do centro cultural Rote Flora que acabou con enfrontamentos o 21 de decembro. Pero a razón principal para as medidas foi o suposto ataque a unha comisaría, que ao longo destes días, segundo se tira das propias declaracións da policía, non sucedeu tal e como explicaron nun primeiro momento. En primeiro lugar, a policía declarou que se tratou dun ataque duns 40 encarapuchados que lanzaran obxectos contra uns policías desarmados fronte á comisaría. Días despois, explicaron que en realidade o incidente ocorrera a uns 200 metros do edificio. Segundo o avogado do centro cultural Rote Flora, Andreas Beuth, en entrevista co diario junge Welt, non se puido demostrar "que non se tratase dun único asaltante alcoholizado. Este dato é moi importante, xa que un acto así nunca xustificaría o establecemento dunha zona de perigo". O incidente aconteceu a 200 metros da comisaría Os Verdes e A Esquerda (Die Linke) solicitaron que esta medida excepcional da policía se levante de inmediato. Antje Möller, a portavoz de Interior dos Verdes no Parlamento de Hamburgo, explica que "esta zona de perigo xerou críticas fóra das fronteiras de Hamburgo. As medidas son desproporcionadas". Por iso, cre acertado o paso dado pola policía o xoves para reducir a "zona de perigo" onde residen máis de 50.000 persoas, que estaba a comezar a notarse mesmo no turismo de Hamburgo despois de que a embaixada americana aconsellase aos seus nacionais non camiñar polo centro de Hamburgo pasadas o seis da tarde e de que a medida policial chegase á prensa internacional. Con todo, Möller asegura que "aínda non existe unha explicación convincente de por que se decretan estas tres zonas de perigo actuais, polo que solicitamos a eliminación total da medida". A legalidade da "zona de perigo" Desde 2005 existe no regulamento da cidade-estado de Hamburgo unha lei sobre "tratamento de datos da policía" que no seu parágrafo 4 punto 2° permite á policía declarar "zonas perigosas" (Gefahrengebiet) sen necesidade de intervención xudicial. Iso significa que a policía pode parar e rexistrar a persoas e os obxectos que portan sen que exista unha sospeita fundada contra as mesmas, o que está prohibido na lei xeral que regula á policía en Alemaña. A medida permite parar e rexistrar sen sospeita fundada, algo prohibido na lei xeral da policía de Alemaña Esta medida existe noutros estados como Berlín ou Baviera, que a aplicaron, do mesmo xeito que Hamburgo até agora, en momentos moi concretos nos que tiñan lugar manifestacións ou outros acontecementos que a policía cualificaba como de especialmente perigosos e polo xeral só durante unhas horas determinadas. Un tribunal de Hamburgo ratificou con todo a conformidade constitucional da "zona de perigo" decretada o sábado. En 2011 o avogado Carsten Gericke tratou de denunciar a medida, decretada con ocasión do Primeiro de Maio e a manifestación que se celebra este día, por considerar que a mesma limita o dereito de reunión e de movementos. A súa denuncia foi rexeitada por un tribunal de Hamburgo e aínda está a ser estudada polo Tribunal Administrativo Superior. Unha sentenza favorable podería supor a inconstitucionalidade destas medidas noutros estados alemáns. Control policial e desaloxos Desde o sábado sucedéronse as manifestacións espontáneas contra os controis policiais. A última delas o xoves pola noite congregou a varios centenares de persoas. Até o mércores a policía estendera unhas 160 ordes de afastamento do centro, así como detido a uns 60 sospeitosos. No medio do estado de emerxencia desaloxáronse 150 vivendas nas que se construirán clasas de clase A Durante esta semana, ademais, no medio do clima de estado de emerxencia, tiveron lugar dous importantes desaloxos de forma imprevista. Os 150 veciños das denominadas Casas Esso foron expulsados das súas vivendas por un súbito perigo de derrubamento. Estas familias denunciaron durante meses que a inmobiliaria dona dos dous edificios agora desaloxados pretendía levar a cabo unha operación de especulación inmobiliaria sen ofrecerlles unha alternativa alcanzable e habitable no barrio, xa que no seu lugar construirán vivendas de clase A. Os afectados uníronse en decembro á citada manifestación xunto cos membros e simpatizantes do tamén ameazado por desaloxo centro cultural Rote Flora, que é unha das casas ocupadas máis antigas e emblemáticas de Alemaña. Os incidentes ocorridos tras a manifestación foron unha das razóns argumentadas pola policía para o establecemento da "zona de perigo". O luns a policía desaloxou o último campamento de Occupy que quedaba en Alemaña.
NOS_55606
O Parlamento Europeo impediu o eurodeputado eleito Carles Puigdemont e o ex conseller Toni Comín acceder á eurocámara para recoller a acreditación do seu escano. Todo indica que a decisión débese ás presións exercidas polo PP no Partido Popular Europeo. No Estado español, a mesa da cámara alta suspendeu os dereitos do senador de Esquerra Raül Romeva.
A eurocámara non permitiu o acceso aos dous deputados eleitos pola candidatura Junts ao Parlamento Europeo, Carles Puigdemont e Toni Comín. Xornalistas en Bruxelas indican que a decisión parte do presidente da cámara, Antonio Tajani, e da secretaria xeral, Klaus Welle da alemá CDU, en resposta ás presións do PP para que os dous políticos exiliados non poidan exercer o seu escano. Puigdemont adiantou que presentará un requirimento contra o presidente do Parlamento Europeo e a secretaría xeral da cámara O número un da candidatura Junts, Carles Puigdemont, adiantou que presentará un requirimento contra o presidente do Parlamento Europeo e a secretaría xeral da cámara pola súa acción, xa que segundo denunciou, non se basean en ningunha razón legal, e por tanto trátase dunha discriminación pura. A razón que se lles esgrimiu é que sen a comunicación do Estado membro ou a acta que entrega o Estado español non poden entrar. Porén, a eurodeputada Diana Riba, número dúas por Esquerra na candidatura Agora Repúblicas, non foi impedida para recoller a súa acreditación a pesar de non contar coa comunicación española, ao igual que deputados de Ciudadanos. O Senado tamén suspende a Raül Romeva co único voto en contra do PNV Ao igual que aconteceu a pasada sexta feira no Congreso, agora é a Mesa do senado quen suspende o senador de Esquerra Republicana de Catalunya, ex conseller e preso político Raül Romeva. Seis dos sete membros da mesa, pertencentes a PP e PSOE, votaron a prol da suspensión Seis dos sete membros da mesa, pertencentes a PP e PSOE, votaron a prol da suspensión de Romeva e só o senador jetzale Imanol Jáuregui votou en contra. A portavoz da cámara alta e presidenta do PSOE, Cristina Narbona, explicou que a suspensión ten efecto inmediato e carácter retroactivo. Esquerra ten cinco días para decidir se quere reconfigurar o seu grupo parlamentario no Senado, pois sen Romeva iría ao mixto após ter cedido catro escanos a JxCat para que a formación de Puigdemont si puidese constituírse en grupo propio. El secretari general del Parlament Europeu ha donat instruccions que ni @toni_comin, ni @junqueras ni jo puguem fer cap tràmit com a eurodiputats. Cap raó legal. Discriminació pura. Tots els altres electes han pogut fer els tràmits que a nosaltres ens han impedit. Vergonya! pic.twitter.com/xqwNWe2K0O— Carles Puigdemont (@KRLS) 29 de maio de 2019
NOS_58473
Deixa en suspenso a vixencia dos artigos recorridos polo Goberno estatal. Esta resolución coñécese pouco despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciase que confiaba en chegar a unha "solución extraxudicial".
O Tribunal Constitucional admitiu a trámite o recurso de inconstitucionalidade a petición do Goberno contra a Lei de Saúde de Galiza. Ademais, mentres resolve sobre o fondo, deixa en suspenso a vixencia dos artigos recorridos, onde se inclúen, entre outros aspectos, a vacinación obrigatoria da poboación, segundo informaron fontes do Tribunal Constitucional a Europa Press. Así, o Constitucional decidiu finalmente tramitar este recurso que o Goberno español presentou o pasado 30 de marzo ao entender que certos puntos desta norma eran estatais e despois de escoitar ao Consello de Estado, que foi quen avalou o recurso para o apartado cinco da reforma estabelecida polo Goberno de Alberto Núñez Feixoo. A nova transcende nun contexto no que a Xunta e o Goberno español estaban a manter reunións para tratar de alcanzar un acordo até o punto de que acordaron iniciar os trámites para convocar a comisión bilateral de cooperación, sen que na reunión desta segunda feira houbese unha aproximación das posturas. De dar resultado estas negociacións, o Executivo do Estado español podería paralizar a decisión ante o Tribunal Constitucional. De feito, o propio Feixoo indicaba antes de coñecer o fallo que confiaba en chegar a unha "solución extraxudicial" a través do diálogo. O representante da Xunta comentara que agardaba que "nos seguintes días", no marco da comisión bilateral entre ambas as administracións, o Executivo de Pedro Sánchez concretase "o contido e alcance desa acusación para respondela" e, "se é posible", que "retire o recurso". Antecedentes A equipa de Sánchez presentara o recurso que deu lugar a este fallo despois do informe do Consello de Estado no que avalaba a presentación contra o apartado cinco da reforma da lei de saúde, a que se definen actuacións concretas como a obrigación de vacinación. Malia esta consideración, o órgano consultivo suxeriu ao Estado que sería de interese elaborar unha lei orgánica que atenda as necesidades da xestión da pandemia da Covid-19. A idea inicial era recorrer tres aspectos: as medidas preventivas (é dicir, as cuestións para regular), a adopción das medidas preventivas ('o modus operandi' para executar as medidas, recollido no apartado cinco da reforma da lei, é dicir, o novo artigo 38) e o réxime de sancións (en varios artigos e, especialmente, no referido ás multas por incumprimentos das medidas que o Goberno central cuestiona).O Estado español tamén tiña a pretensión de deixar en suspenso as sancións incluídas na lei galega referidas aos preceptos que pediu suspender por entender que a regulación afectaba a dereitos fundamentais dos cidadáns.
NOS_23613
O conselleiro de Economía di agora que a Xunta está aberta a unha intervención temporal de Alu Ibérica por parte da SEPI para facilitar a entrada dun investidor.
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou que a Xunta da Galiza está aberta a unha intervención temporal de Alu Ibérica por parte da SEPI para facilitar a entrada dun investidor solvente cun proxecto a longo prazo. En resposta a unha pregunta formulada no pleno da Cámara polo deputado do BNG Ramón Fernández, Conde asegurou que a Xunta está aberta á intervención temporal da planta polo Goberno español a través da SEPI co obxectivo de facilitar a aparición dun "investidor solvente" xa que fechar a planta "non tería sentido" por tratarse dun sector estratéxico para a economía galega. Por iso, volveu pedir a convocatoria da mesa industrial xa que, conforme indicou, non se sabe nada dos fondos comprometidos para garantir a reactivación da actividade na Coruña máis aló de xuño. Neste sentido, considerou que este encontro debería servir para que as empresas expliquen se se están cumprindo os compromisos. Pola súa banda, o parlamentar do Bloque advertiu de que a situación da fábrica "non pode ser peor" e resúmese nos "incumprimentos sistemáticos das condicións" por parte do Grupo Riesgo. Por iso, preguntou á Xunta polas medidas previstas para preservar o emprego e a produción. Demanda do comité Ademais, esta mesma cuarta feira, 14 de abril, o presidente do comité de empresa da planta da Coruña, Juan Carlos López Corbacho, destacou o apoio de PP, PSdeG e BNG á súa petición dunha intervención "puntual e temporal" da fábrica para dar unha "viabilidade" á mesma, tras unha reunión coas portavoces destas formacións na Comisión de Industria. "Calquera medida para dar unha solución", reclamou Corbacho ao pedir garantías de futuro para a planta e para o emprego. Ademais, expuxo que esta é a demanda que trasladarán conxuntamente cos representantes da planta de Avilés na mobilización que este quinta levarán a cabo en Madrid, ante o Ministerio de Industria, entre as que estará tamén a petición de que se convoque a mesa industrial para lograr acordos que permitan a continuidade de ambas as plantas. Parques eólicos Por outra banda, na sesión plenaria, o vicepresidente económico tamén respondeu a senllas preguntas do PSdeG e do BNG sobre o sector eólico nas que incidiu en que tramitar "non é o mesmo que autorizar". Así aseverou despois de o socialista Martín Seco denunciar o impacto ambiental do proxecto do parque eólico de Troitomil, que afecta os concellos da Baña e Negreira, pola súa proximidade á vivendas. Conde dixo que, á vista dos informes presentados e a modificación solicitada polo promotor, reducíronse case á metade o número de aeroxeradores, e todas as posicións cumpren coa distancia necesaria. Ademais, despois de que nunha pregunta sobre os proxectos eólicos na Serra do Suído e Alto Tea o parlamentar do BNG Luís Bará denunciase a súa fragmentación e acusase á Xunta de situarse do lado dos "grandes especuladores", o conselleiro incidiu que "se seguirá a tramitación marcada".
NOS_46140
A nova parlamentar, de Podemos, prometeu o seu cargo esta terza feira, no comezo da sesión plenaria. En Marea perdera momentaneamente a condición de segunda forza a efeitos prácticos ao ingresar brevemente no Hórreo Xoán Hermida. O ex dirixente de Espazo Ecosocialista nunca chegou a asumir a condición plena de deputado.
Hermida era deputado eleito, mais materialmente non adquiriu a condición de parlamentar, ao non ter cumprido os requisitos fixados polo regulamento. Dese xeito, En Marea tivo durante uns días 13+1 deputadas e deputados. Agora -após a renuncia definitiva de Hermida e a asunción do escano formalmente realizada esta mañá por Julia Torregrosa- a confluencia volta a ter 14 en plenitude de dereitos e, destarte, recobra a condición de segunda forza parlamentar, perdida efemeramente perante o PSdeG. Torregrosa milita en Podemos, como o parlamentar que vén substituír, o ex secretario de Organización da formación morada Juan Merlo. Responsábel de Educación nas filas do partido morado, é unha dirixente próxima a Carmen Santos. A súa incorporación non fecha inteiramente a crise da confluencia, pendente aínda da resolución do affaire Paula Quinteiro e da realización dunha consulta ás bases sobre o futuro da tamén dirixente de Podemos (neste caso da corrente Anticapitalistas).
PRAZA_13029
Falamos con Mariló Candedo e Xosé Lastra, presidenta e vicepresidente da entidade, que recibirán a distinción nun momento no que o ensino público vive un forte ataque. Para eles "é un recoñecemento non á NEG como organización, senón aos centos e milleiros de mestres que neste anos traballaron neste movemento"
Nova Escola Galega (NEG) recibirá este domingo ás doce e media do mediodía o Pedrón de Ouro, que recoñece o seu traballo durante case tres décadas en defensa do ensino público, de calidade e en galego, nun proceso de renovación pedagóxica no que participaron ao longo dos anos milleiros de mestres. O acto terá lugar, coma todos os anos, en Padrón, na Casa Museo de Rosalía. O pintor Henrique Ortiz Alonso recibirá o Pedrón de Honra. A Fundación Pedrón de Ouro recoñece en Nova Escola Galega "a vontade continuada no tempo a prol da renovación pedagóxica, da galeguización lingüística e da galeguización curricular, tanto desde as aulas de educación infantil como das universitarias" e salienta que "vén promovendo unha educación alicerzada nas ideas da xustiza, da liberdade e da solidariedade, para formaren cidadáns e cidadás conscientes do País que habitan, conscientes da nosa lingua e cultura". Mariló Candedo, presidenta de NEG, di que "é unha noticia positiva, con todo o que está caendo" e engade que "dentro do proceso de desmantelamento dos servizo públicos, un dos seus obxectivos claros é o desmantelamento do ensino público. Polo tanto a concesión deste premio é unha grande oportunidade para reivindicar un modelo de ensino público que dea resposta ás necesidades da sociedade actual e tamén dende o punto de vista do país, do idioma e da cultura na que está asentada. É unha oportunidade de ver a educación doutra maneira". "A concesión deste premio é unha grande oportunidade para reivindicar un modelo de ensino público que dea resposta ás necesidades da sociedade actual e tamén dende o punto de vista do país, do idioma e da cultura na que está asentada" De igual xeito, Xosé Lastra, vicepresidente da entidade, salienta que "cos tempos que corren, o feito de que a fundación Pedrón de Ouro se acorde de NEG é moi importante. Entendemos que é un recoñecemento non á NEG como organización, senón aos centos e milleiros de mestres que neste anos traballaron ou participaron nas actividades organizadas por Nova Escola Galega". De todo o traballo realizado nestas últimas décadas, Lastra salienta por riba de todo que "o máis importante foi o manter claro e firme o obxectivo de defensa do noso modelo de educación pública e traballar niso, individualmente ou conxuntamente con outras organizacións". Candedo, pola súa banda, é máis autocrítica e, aínda que afirma que "fixemos moitas cousas que nos propoñiamos facer", di que "a idea era tamén intervir na realidade para transformala, e entón se ollamos por exemplo á normalización lingüística, vemos que non se cumpriron os obxectivos, pois máis ben houbo unha involución na porcentaxe de falantes. Tamén tiñamos un modelo de escola pública, e agora non se sabe en que vai pasar con ela, con toda a política de concertacións...". "Entendemos que é un recoñecemento non á NEG como organización, senón aos centos e milleiros de mestres que neste anos traballaron ou participaron nas actividades organizadas por Nova Escola Galega" Sobre o presente e futuro do ensino público, a presidenta de NEG di que "é difícil ser optimista, pero debemos selo" pois "é de agardar que a comunidade educativa se conciencie e que tamén os poderes públicos de decaten de que os recortes no ensino, na educación superior e na investigación, a longo prazo van traer moitos prexuízos" e conclúe: "débense superar as visións máis economicistas". "No futuro temos que ser capaces de virar esta situación co traballo de todos e todas" Pola súa banda, Xosé Lastra asume que "agora é un momento no que toca gorecerse de todo o que está caendo", pero di que "tamén é un momento de dicir o que temos que dicir sobre a destrución do modelo de ensino público: Estamos sufrindo un ataque á liña de flotación da escola pública". Para o vicepresidente de NEG, "ese segue sendo o noso obxectivo: defender o ensino público, a renovación pedagóxica e a galeguización do ensino, cuestión cuestionada polo decreto do goberno de Feijoo" e conclúe: "no futuro temos que ser capaces de virar esta situación co traballo de todos e todas". "Ataque sen precedentes ao ensino público" Nova Escola Galega dedica o seu boletín de maio aos recortes orzamentarios no ensino. O boletín ábrese cunha reflexión xeral que afirma que "Galicia e o ensino público galego amosáronse como campo de probas para mediren a resistencia do sistema nesta particular cruzada reformista amparada na coartada de darlle saída á crise económica". No texto denúnciase que "na procura da confianza dos mercados e da eficiencia dos servizos públicos, e baixo un permanente discurso de desgaste probando a suposta inoperancia do sistema educativo, tómanse decisións que provocan a deterioración das condicións obxectivas nas se desenvolven as aprendizaxes e a docencia, mentres se pretende coar que non se está afectando a calidade do sistema. Todo a costa de distorsionar groseiramente a imaxe dos seus principais protagonistas: un alumnado indolente, ao que lle hai que inocular os valores do esforzo e de autoesixencia rebaixando as súas oportunidades de formación, e un profesorado escasamente comprometido coa súa función instrutiva, ao que cómpre esixirlle mellores rendementos". "A comunidade educativa galega está organizándose para promover unha resposta de resistencia cívica. Agardamos que a perspectiva de análise e de acción sexa tan ampla, plural, unitaria e ilusionante como demanda a iniquidade destes tempos" A análise conclúe que "a comunidade educativa galega está organizándose para promover unha resposta de resistencia cívica diante do maior ataque que se pode perpetrar sobre a educación pública. Agardamos que a perspectiva de análise e de acción sexa tan ampla, plural, unitaria e ilusionante como demanda a iniquidade destes tempos" e salienta que "non é ocasión para retóricas partidarias, cando o que se precisa é un fondo cuestionamento da gramática social que se impón como inevitable. Nesta lexislatura que remata ten que visualizarse unha estratexia clara e de futuro, que poida ser compartida por unha maioría cidadá, e na que a defensa dos dereitos e das oportunidades sociais sexa clave para construírmos un país orgulloso de si mesmo". Nova Escola Galega Boletín de NEG de maio: Ataque sen precedentes ao ensino público
PRAZA_6834
A Policía detecta unha relación "constante" entre Gerardo Crespo, presunto líder da rede, con "políticos e funcionarios relacionados con subvencións e adxudicacións". A contabilidade dunha das empresas de Crespo reflicte unha achega de 17.000 euros ao PP.
"Permanente concorrencia de relacións entre Gerardo Crespo con políticos e funcionarios especialmente relacionados coas subvencións e adxudicacións" das que o seu grupo empresarial "podía ser e era destinatario". Así resume a Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía Nacional os "constantes" contactos do empresario coruñés que presuntamente, liderou a fraude de subvencións da Operación Zeta. A investigación resalta a "importancia" desta "relacións de confianza con políticos e funcionarios locais e da Xunta" para obter subvencións que, na súa maior parte, ían parar ao seu peto. Se cadra por iso Crespo e as súas empresas coidaban os seus contactos con agasallos e mesmo sumas de cartos en metálico. Segundo consta en informes incluídos no sumario do caso, a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, os axentes atoparon nos ordenadores de Azetanet, unha das empresas de Crespo claves na suposta trama fraudulenta, unha folla de cálculo na que, baixo o nome regalo clientes, se anotaban os agasallos a distribuír entre diversos cargos da Xunta e do PP co gallo do Nadal de 2010. A lista está encabezada pola conselleira de Traballo, Beatriz Mato, quen un ano antes fora nomeada Coruñesa del año por unha das asociacións de Crespo. A Mato, segundo esta listaxe, corresponderíalle "lotaría" máis un bolso que lle serían remitidos á súa casa. A Policía resalta a "importancia" da "confianza" de Crespo con "políticos e funcionarios" para obter contratos e subvencións A lotaría é o obsequio máis común nunha lista na que, non obstante, a determinadas persoas se lles asigna, como á conselleira, un agasallo adicional. A Joaquín Vila, na altura xefe de servizo de Emprego na Consellería, corresponderíalle tamén unha cesta de Nadal -Vila declarou hai escasos días que Crespo enviaba "constantemente" agasallos pero que non influían na súa acción na Xunta-, o mesmo que a Odilo Martiñá, director xeral de Traballo ata o pasado setembro. Xunto á lotaría, sempre segundo esta lista, enviouse "viño" para o presidente de La Voz de Galicia, Santiago Rey, e un xamón para unha persoa identificada como "Manolo Barral", da que non se especifica responsabilidade. Os envíos unicamente de lotaría foron, segundo a investigación, moito máis numerosos e chegaron dende ao presidente da Xunta ata ao alcalde da Coruña, na altura na oposición, Carlos Negreira. Igualmente, figuran como receptores Diego Calvo, actual presidente da Deputación coruñesa, José Manuel Álvarez Campana, que na altura dirixía Portos de Galicia, e outros cargos e xefes de servizo da Consellería de Traballo. Os presuntos pagamentos ao PP Estes e outros agasallos de maior valor económico -sufragados, cando menos en parte, coa "caixa B" de Crespo, segundo os investigadores- eran empregados por Crespo como unha vía máis para tentar "remover os obstáculos" que se lle presentasen para obter cartos públicos. A Policía ve de "especial interse no ámbito penal" as "evidencias" de que "algúns" destes "políticos e funcionarios" recibían "cantidades económicas ou agasallos" mentres, paralelamente, eran "presuntamente amañados" varios "concursos públicos" para outorgarlle adxudicacións a Crespo. A contabilidade de Azetanet reflicte 17.000 euros pagados aos populares, 15.000 deles "dúas semanas antes" das xerais de 2011 Neste contexto, os axentes ven claro que Gerardo Crespo "daba conta a responsables políticos dun partido ou doutro da súa participación" nos concursos e convocatorias de subvencións, xa fose "de maneira directa ou meidante a intermediación de persoas, ás que encargaba a realización de xestións con responsables do Partido Popular, remunerando a execución das mesmas". Así, a Policía observa na contabilidade de Azetanet "anotacións do pagamento de importes económicos a responsables públicos encargados da concesión e control de subvencións, así como o abono en metálico dunha cantidade cifrada en 17.000 euros ao PP", dos cales 15.000 foron presuntamente pagados "dúas semanas antes das últimas eleccións xerais", en 2011.
NOS_26747
O magosto e o samaín son festividades propias da época outonal.
Na madrugada de mañá, ás 3 horas e 4 minutos, comeza o outono. Este equinoccio, que sinala a fin dunha estación e o comezo da seguinte, conta cunha gran tradición na Galiza. Festividades, celebracións e xuntanzas con diferentes simboloxías caracterizan a tempada que comezou hoxe e que, sinala o Observatorio Astronómico Estatal, durará 89 días e 21 horas, até o 21 de decembro, co comezo do inverno. O outono será "máis seco e cálido" do habitual, após un verán "normal" Para o etnólogo, arqueólogo, antropólogo e escritor Felipe Senén, "o outono é un tempo de bisagra entre o verán e o inverno", é a época "da morte e da resurrección". Segundo explica o etnólogo a Nós Diario, o país baséase na tradición, na que está "moi presente o ciclo agrario" o cal se expresa "a través das catro estacións". Así "a flor produce un froito que xera unha semente" que agarda durante o inverno para volver renacer. Na tradición galega está moi presente o ciclo agrario que se expresa a través das catro estacións Desta forma o outono é o momento "da semente", como a castaña, a máis representativa do país, e cuxa produción se desenvolve, principalmente, no mes de novembro. É o momento tamén dos últimos traballos do verán, como a vendima, que resulta "un proceso cultural, entendendo a cultura como algo que cultivamos e que levamos connosco; unha forma de ser, de comportármonos". A festividades do outono O outono tamén é morte, tamén é "o tempo dos defuntos", como así conmemora a festividade do samaín, que fecha o mes de outubro, unha "tradición antiquísima" que se está a ver substituída polo estadounidense Halloween "por culpa da sociedade globalizada e con falta de personalidade na que vivimos"; unha sociedade "que non coñece o que é propiamente noso". Samaín: a noite das persoas que estarán sempre Co outono tamén comeza o magosto, unhas "festas na que as persoas se solidarizan arredor da castaña, do lume e do viño novo". Por iso, explica o etnólogo, a entrada do outono supón o decorrer de "grandes feiras e romarías", como a de Monterroso ou a de Chaves do primeiro de novembro, que preparan o pobo para "o inicio do inverno, a última etapa dentro dun almanaque que estamos a perder". A Galiza é un mundo "de mitos, de monstros e de lendas", de tradicións que inflúen no ciclo anual substituído agora pola "importación doutros aspectos comerciais como o Halloween", incide. O magosto é unha festa na que as persoas se solidarizan arredor da castaña, do lume e do viño novo O momento do equinoccio tamén descobre a maxia de certas construcións emblemáticas da Galiza. A capela de San Miguel de Celanova, por exemplo, recolle un fenómeno solar durante a saída do sol neste preciso momento do ano cando as raiolas se filtran a través das xanelas da construción. A luz entra nun "xogo entre cubos, esferas e cadrados" na capela de influencia islámica e oriental, como indica Senén. O etnólogo explica que a arqueoastronomía analiza a orientación litúrxica de moitos monumentos antigos. Tempo dos defuntos, os magostos e variantes importadas Así, o outono é un tempo de bisagra e de contrastes, de morte e defuntos, de animismo e de culto á natureza, de semente e de lume. Como sinala Senén, o outono é tempo de tradición e de simboloxía que cómpre conservar, pois "un país que perde os seus códigos culturais queda sen os símbolos que funcionan como elementos de comunicación".