ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_16566
As sondaxes publicadas nos últimos días demostran a fortaleza das formacións nacionalistas en Euskadi e en Catalunya. Na Galiza, rexistran a volta do BNG ao Congreso. As nacións sen Estado seguen a fechar as portas ao ultraespañolismo de Vox.
A menos dun mes do inicio da campaña electoral do 10-N, distintos medios fan públicas enquisas que reflicten a fortaleza do nacionalismo en Euskadi e Catalunya. Euskadi Segundo o CIS, o PNV e Bildu situaríanse como as forzas máis votadas. Así, o PNV acadaría o 1,6% das papeletas e Bildu, o 1,2% no conxunto do Estado. A enquisa de Gad3 para ABC outorga ao PNV os 6 escanos, ao pasar do 1,5% do apoio en abril ao 1,6%. Bildu manteríase nos 4, co 1% do apoio, o mesmo que en abril. A enquisa de 40DB para El País, dá a PNV 7 representantes e a EH Bildu 2 e a de Celeste-Tel para El Diario dálle 6 escanos ao PNV (1,6%) e 4 a Bildu (1,1%). A de Sondaxe para La Voz de Galicia, que sae este domingo, outorga 6 ao PNV e 4 a EH-Bildu. A última de EiTB coloca o PNV como o partido hexemónico en Euskadi ao manter os 6 escanos que logrou en abril. EH Bildu perdería unha e ficaría con 3. Catalunya Segundo o CIS, ERC recuncaría á cabeza en Catalunya, co 3,7% dos votos no conxunto do Estado, unha cifra lixeiramente inferior á lograda en abril. Caería seis décimas a respeito do 28 de abril, segundo o CIS, Junts per Catalunya, liderada por Carles Puigdemont. A enquisa de Gad3 para ABC dálle a ERC 15 escanos, os mesmos que tiña, cunha porcentaxe de voto do 3,9%, a mesma que o 28-A. A sondaxe de 40DB para El País outorga a ERC 14 representantes e a JxCat, 6. A de Celeste-Tel para El Diario dá 16 a ERC (cun 4,2% fronte ao 3,9% de abril) e 7 a JxCat (1,7% fronte ao 1,9% de abril), mentres que a de Sondaxe para La Voz de Galicia dá 14 a ERC e 6 a JxCat. Galiza A respeito do nacionalismo galego, a última enquisa do CIS volve ter en conta o BNG, ao que dá unha porcentaxe de voto máis simpatía do 0,3% a nivel Estado. No barómetro de xullo de 2011, o último ordinario (como o do 26 de setembro) publicado antes das eleccións de novembro de 2011 –a última vez que o Bloque obtivera escanos en Madrid–, a porcentaxe de voto máis simpatía para as nacionalistas galegas no conxunto do Estado era do 0,2%. Unha mostra que apuntaría á volta do BNG á Carrera de San Jerónimo. Por outra banda, o traballo de Sondaxe para La Voz de Galiza apunta ao regreso BNG a Madrid, onde as nacionalistas obterían un representante, cunha estimación de voto do 0,5% a nivel estatal. Na mañá do domingo, o secretario de Comunicación do BNG, puxo de manifesto, en declaracións aos medios, que as últimas enquisas "indican con claridade a tendencia á alza" do Bloque e, por tanto, "as absolutas posibilidades que temos de obter representación nas eleccións do 10 de novembro e que a sociedade galega volva ter unha voz propia en Madrid".
NOS_3315
Piden á Xunta que asuma a súa responsabilidade na xestión da crise.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, coincide coas profesionais sanitarias galegas na necesidade de adquirir material de protección, nomeadamente máscaras, para a prevención de contaxios pola COVID-19. O pasado domingo o xefe do Executivo afirmou que o Ministerio de Sanidade só enviara unhas 10.000 a pasada semana, 27.000 sumando as previas. En tanto, a delegación do Goberno anunciou que se distribuíron 117.907 desde o 10 de marzo. Na segunda feira fixo entrega de 58.000 maís, que o Goberno galego considera insuficientes. En tanto, Núñez Feixoo anunciou a compra de 8 millóns de máscaras, o acceso a 70.000 a través do Goberno vasco e o medio millón coas que conta o Sergas na súa reserva. Ao tempo, o presidente admitiu o pasado domingo que a falta de material supón "arriscar" o persoal do Sergas, mentres onte cifrou en 125 as profesionais sanitarias contaxiadas por coronavirus, 9% do total de casos no pais. Desde a CIG, CCOO e UXT alertan de que as probas de detección da enfermidade só están a realizarse ás traballadoras que presentan síntomas, cando recentes investigacións confirmaron que unha persoa asintomática pode espallar o virus. Por iso, reclaman que se realicen test cunha finalidade preventiva ao persoal. Máis persoal e material O Executivo galego comprometeu a chegada esta semana de 8 millóns de máscaras. Mentres, sindicatos como CCOO reclaman que distribúa o medio millón que o Sergas ten en reserva e do que informou o propio Núñez Feixoo o pasado domingo. "Eses medios botáronse en falta en todo o sector sanitario, pero tamén no sociosanitario, nas residencias de maiores", asegura o responsábel de sanidade de UXT, Javier Martínez, a Nós Diario. Así pois, os sindicatos reclaman que a Xunta comparta as cifras exactas dos subministros dos que dispón. "A Consellaría non pode pedir a confianza do persoal se este carece de información ou medios, e a sensación é de falta de protocolos claros e unificados nos usos dos Equipos de Protección Individual (EPI)", explica a representante da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, a este medio. Onte, o subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da Consellaría de Sanidade, Xurxo Hervada, informou de que se traballa para "minimizar" as "exposicións de risco" dividindo as profesionais en grupos, evitando o seu contacto ou rotando o persoal. "Fixáronse estas medidas, mais nós reclamamos o incremento do persoal e que estes cambios se adapten para que as traballadoras poidan descansar", reclama a voceira de sanidade de CCOO, Emilia Lamas en conversa con Nós Diario. Medidas insuficientes Paralelamente, a delegación na Galiza do Confederación Estatal de Sindicatos Médicos anunciou na xornada de onte que non descarta emprender accións legais contra a Xunta despois de constatar "o incumprimento da Lei de Riscos Laborais" por parte do Sergas, ao ter que traballar as profesionais sen a máis mínimas medidas de protección".
PRAZA_12584
A conselleira do Medio Rural insta a oposicióna non "tirar rendementos políticos" do lume das Fragas mentres o PP acusa a PSdeG e BNG de tentar crear "outro Nunca Máis" e censura a xestión de Touriño e Suárez Canal en 2006
Foi o primeiro gran incendio dun ano que se prevé moi complicado nos montes galegos. Tivo como escenario unha paraxe privilexiada, un tesouro ecolóxico europeo que ardeu durante catro días e cuxas lapas reavivaron este martes no pleno do Parlamento galego. A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, acudiu á Cámara a petición propia para abordar a xestión do lume das Fragas do Eume, "do Concello da Capela", en verbas da Xunta e fíxoo comezando cun ton relativamente conciliador. Estamos ante "un desafío firme" contra os "valores naturais" de Galicia que non se debe "magnificar para tirar rendementos políticos", comezou. "Sei que compartindo este esforzo están todos vostedes", díxolle ao conxunto do arco parlamentario. Pero ese ton durou ben pouco e non só a causa da refrega entre un Goberno e unha oposición que vez cada vez máis cerca a cita coas urnas. Na súa primeira intervención Quintana foi esencialmente descritiva. A conselleira debullou o panorama co que se atoparon os equipos de extinción, nas Fragas dende "19 minutos despois" do inicio do lume, mantén. Refachos de nordés de 60 quilómetros por hora, imposibilidade de "facer un ataque directo á cabeza do lume" e unha gran "actividade incendiaria" formaron un cóctel ante o que, asegura, o Goberno galego "reaccionou rápido", grazas ao cal as lapas foron "controladas" en apenas 50 horas e a cifra "provisional" de 750 hectáreas queimadas non foi incrementada dende o sábado. Tamén colaborou, admite, a veciñanza da zona con "tractores e cisternas, feito que é de agradecer", di. "Conviría reflexionar na capacidade de atención da sociedade galega cara ao monte" e lograr en sede parlamentaria o "acordo nacional que o país necesita" en materia de incendios, engadiu a conselleira. Rosa Quintana mantén que o lume estivo controlado en 50 horas e por iso non se queimaron máis de 750 hectáreas Tras esa primeira intervención, a batalla, non iniciada, cando menos completamente, dende PSdeG e BNG. Se ben socialistas e nacionalistas achegaron ao Hórreo a petición de explicacións que se lle presupón á oposición, o debate subíu varios graos de temperatura cando accedeu á tribuna a voceira do PP, Emma Álvarez Chao, quen recuperou en boa medida o argumentario empregado polos conservadores durante a enorme vaga de lumes do verán de 2006. "Incendiarias políticas" Así, pola banda nacionalista, Tareixa Paz identificou como un dos grandes "problemas" a falta de "credibilidade" da Xunta. "Manipulan e menten permanentemente", censura, xa que, mentres que Rosa Quintana fala de que na mesma xornada do lume do Eume ardían os montes galegos en decenas de lugares, "na web da Xunta o sábado 31 informaban de que había un incendio na Capela controlado, outro en Avión controlado e non había ningún máis". "Ninguén cuestiona que a causa última" dos incendios sexa "que alguén lle prende lume ao monte", resalta a nacionalista, se ben "estaríamos en mellores condicións" se, por exemplo, Medio Rural "non tivese desmantelado as brigadas de información e investigación forestal". Do mesmo xeito, dende o PSdeG Sonia Verdes ve nas verbas de Quintana unha vía para a "autodesculpa" dunha mala xesitón que a Xunta tenta "agochar coa propaganda máis deleznable", en referencia á campaña publicitaria sobre os lumes posta en marcha pola Xunta na pasada semana. "Fallou o Goberno, fallou vostede", reprochou Verdes. "Hai un goberno incompetente e irresponsable que converteu o monte nun verdadeiro polvorín", engade. A voceira do PP recuperou as críticas a Touriño e Suárez Canal e rexeita ter os montes "como un xardín" Co ambiente xa caldeado chegou a intervención da representante popular, quen se esforzou en atribuírlle a PSdeG e BNG a intención de crear un novo "Nunca Máis" ou de volver asegurar que en 2006 algúns medios de extinción deixaron de protexer o monte para facer o propio coa vivenda na que pasaba as vacacións o daquela presidente, Emilio Pérez Touriño. Segundo Emma Álvarez Chao "non serve de nada ter un monte como un xardín" nin se poden previr os lumes con brigadas mentres haxa "terroristas nos nosos montes". A CIG como "brazo executor" do Bloque ou a crítica reiterada a Touriño e Alfredo Suárez Canal como titular da Xunta e conselleiro de Medio Rural formaron parte dun discurso que volveu situar o lume no centro da polémica política. "É vostede unha mentireira", remarcou a voceira do PSdeG na súa segunda quenda. "Cheguei mirándolle a cara ás persoas, nin minto nin terxiverso, só digo a verdade", retrucou Rosa Quintana, quen defende ademais que a Xunta non ofreza datos dos incendios inferiores a 20 hectáreas para evitar o efecto chamada para os incendiarios. "Deixen de actuar como incendiarias dialécticas", volveu á carga Álvarez Chao, quen ademais rexeita que "o lume non hai que apagalo no inverno" senón "a medida que se vai producindo". Os expertos manteñen que se aproxima un verán complicado e os analistas políticos, que se aproximan as eleccións.
NOS_32912
O Goberno local de Pontevedra aprobou unha iniciativa para instar a Xunta a que mellore a Atención Primaria da área sanitaria de Pontevedra e o Salnés.
Un sanitario do Punto de Asistencia Continuada (PAC) da Parda, en Pontevedra, tivo que atender a 106 pacientes este domingo e efectuar 5 saídas a domicilios debido a falta de persoal neste centro sanitario. O doutor en cuestión relatou a súa experiencia a medios locais. No PAC da Parda adoitan traballar tres facultativos, mais este domingo 6 de febreiro só estaba presente un deles. Nas 14 hotas que durou a súa garda, atendeu a 106 persoas e efectuou 5 saídas para atender a pacientes a domicilio. Durante esas saídas, o centro quedou sen ningún médico. O sanitario recoñeceu que esta situaciñon provocou o malestar entre algunhas das persoas que se atopaban na sala de espera do PAC, o que provocou algún momento de tensión entre estas e o facultativo. Nas redes sociais, varios usuarios destacaron o estado no que o doutor detallou o acontecido. "Di que quere deixar o traballo", sinalou unha persoa que escoitou o vivido por este sanitario. Piden mellorar a atención en Pontevedra O ocorrido no PAC da Parda é "unha máis" das situacións de precariedade e falta de persoal que teñen lugar nos centros sanitarios de Pontevedra, segundo critica o Goberno local. Neste sentido, a Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou na segunda feira unha iniciativa para instar o Executivo galego a que mellore a atención sanitaria nos centros de saúde do concello. A voceira do Goberno local, Anabel, Gulías, subliñou que a Xerencia da área sanitaria e o Servizo Galego de Saúde (Sergas) teñen a obriga de tomar medidas "inmediatas" para garantir o persoal necesario na Atención Primaria. Precisamente na área sanitaria de Pontevedra e o Salnés, no concello de Caldas de Reis, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) convocou unha manifestación para denunciar a situación asistencial na comarca do Umia.
NOS_20454
Esta caída supón a maior do Estado español, e discorda cun mes de avance xeneralizado no resto de autonomías. Só a Galiza (-7%) e Asturias (-1,2%) retroceden, afastadas do incremento medio estatal de 13,2%. No outro extremo, sobresae Murcia (+37,7%).
A cifra de negocios da industria galega baixou 7% en marzo en comparación co mesmo mes de 2021, segundo os datos que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE) esta sexta feira. Esta caída supón a maior do Estado español, e discorda cun mes de avance xeneralizado no resto de autonomías. Só a Galiza (-7%) e Asturias (-1,2%) retroceden, afastadas do incremento medio estatal de 13,2%. No outro extremo, sobresae Murcia (+37,7%). A industria galega perdeu 33.555 empregos desde 2009 Deste maneira, as vendas da industria galegas volven a cifras negativas, rompendo así cun ano de subidas interanuais consecutivas. Na media do que vai de ano, entre xaneiro e marzo, a facturación da industria galega creceu un 6,5%, sendo a única autonomía que non supera 10%. A alza é de 18,2% de media no Estado español. O sector industrial no Goberno de Feixoo O complexo industrial é un dos máis golpeados polo programa económico do Goberno de Feixoo. Así, entre 2008 e 2021 o valor xerado polas manufacturas galegas reduciuse en perto de 8%, mentres o sector manufactureiro alemán incrementou o seu valor engadido bruto en 29%. Ao tempo, a Galiza perdeu nos últimos 14 anos 33.555 empregos no sector industrial, pasando de 154.860 ocupados en decembro de 2008 a 121.305 na actualidade. Neste sentido, a profesora da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela María Cadaval sinala a Nós Diario que "a Galiza leva perdido un de cada cinco empregos industriais desde o ano 2008". A suba do prezo da enerxía volve pór en risco o futuro da industria galega A produción industrial está moi por baixo das cifras de 2008 non conseguindo recuperar en ningún dos exercicios os niveis anteriores á crise. Neste sentido, no relatorio A economía galega. Informe 2019/2020 signifícase que "a produción industrial en 2019, que como indicamos foi inferior á de 2018, distaba aínda moito de alcanzar a lograda na primeira década deste século. Así, mentres o valor medio do Índice de Produción Industrial (IPI) xeral en 2007 (base 2015) era 140,1, en 2019 era 105,1; cunha diferenza de 35 puntos que reflicte unha preocupante caída na actividade industrial". Ao tempo, en 2019 só os sectores da alimentación, bebidas, papel, químicas e outras industrias manufactureiras superaban a produción de 2007. A crise bateu con forza tamén, naquelas empresas de maior dimensión. Así, entre 2008 e 2019, a Galiza perdeu 1.031 empresas que superaban os 9 traballadores, o que supón unha caída de 37,5%, algo particularmente grave nun sector como o industrial, onde o tamaño é importante para aproveitar as economías de escala e favorecer a internacionalización. En relación con isto, o economista da USC Gonzalo Rodríguez afirma a Nós Diario que "neste caso o tamaño si importa". As empresas, sinala, "necesitan lograr unha escala mínima para poder exportar e innovar" e lembra que "as empresas de menos de 50 empregados representan na Galiza o 94,43% do total".
NOS_33427
A última hora é tráxica: dúas mulleres de avanzada idade morreron en Nigrán a consecuencia dos lumes que devastan o sul do país. Confirmouno o concello.
A acción devastadora das lapas cobrouse a vida de dúas persoas en circunstancias aínda non precisadas. Foi en Nigrán e a noticia confirmárona fontes do concello citadas polo Faro de Vigo. As dúas vítimas mortais faleceron após vérense atrapadas polas lupas na furgoneta en que viaxaban no lugar de Chandebrito, no concello de Nigrán, informa Europa Press. A morte nun automóbil evoca o recente e xigantesco incendio de Pedrogão, Portugal, coa maior parte das vítimas mortais a seren alcanzadas polo lume mentres conducían os seus carros. Alén desta traxedia humana, a Citroén de Vigo -corazón industrial da cidade- tamén foi desaloxada perante o avanzo das lapas.
PRAZA_18284
O persoal da factoría coruñesa organízase en quendas nun campamento permanente ás portas da empresa para impedir a saída de metal en protesta polo anuncio de peche e do despedimento dos 369 traballadores. Alcoa anuncia o peche da súa fábrica na Coruña O Estado aprobou este mes esa rebaixa da tarifa eléctrica para a industria vasca Beneficios millonarios tras a privatización de Aznar en 1998
Alcoa anuncia o peche da súa fábrica na Coruña O Estado aprobou este mes esa rebaixa da tarifa eléctrica para a industria vasca Beneficios millonarios tras a privatización de Aznar en 1998 Logo do impacto e da intensa e cansa xornada deste mércores, o cadro de persoal de Alcoa inicia xa un calendario de mobilizacións tras o anuncio do peche da súa factoría. Nas primeiras horas, tras coñecer a noticia, organizáronse para impedir a saída de metal e formaron un campamento permanente, por quendas, día e noite e até final de mes, ás portas da factoría. Á tarde, ademais, cortaron o tráfico na estrada ao pé da sede. Este sábado hai convocada xa unha manifestación na Coruña, desde a Praza da Palloza até á Delegación do Goberno ás 11 horas. O persoal de Alcoa organízase en quendas nun campamento permanente ás portas da empresa para impedir a saída de metal Agárdase o apoio masivo da cidadanía, ao igual que hai tan só uns anos, cando a mobilización e a presión dos traballadores presionou tamén na marcha atrás de Alcoa. En xogo, os 369 empregos directos --ademais dos indirectos-- da factoría coruñesa, que está ameazada de peche xunto á de Avilés, en Asturies, con outros 317. O obxectivo do persoal é presionar para conseguir a convocatoria dunha mesa tripartita na que Alcoa, administracións e axentes sociais negocien unha saída que evite o peche da fábrica, que a multinacional xustifica nos altos prezos da enerxía e, agora tamén, da sobrecapacidade de produción na China. Os traballadores insisten en que é esa falta de regulación e estabilidade do importe da tarifa da luz e os seus elevados custos o que permite á empresa xustificar o peche. Unha compañía que, lembran, non investiu "case nada" nas súas sedes en España pero si se aproveitou de millonarias axudas públicas. Os traballadores presionarán coas protestas para lograr unha mesa de negociación na que Alcoa, gobernos e axentes sociais busquen unha alternativa ao peche Teñen ata o 31 de outubro para logralo. Esa é a data fixada por Alcoa para iniciar as negociacións para o despido colectivo de todo o cadro de persoal e para botar o peche a unha histórica fábrica, ameazada agora pola deslocalización que xa sufriron outras. É unha compañía cun cadro de persoal novo e unha media de idade baixa, froito dos numerosos contratos de remuda feitos nos últimos anos. Por outra banda, a corporación municipal da Coruña aprobará este venres unha declaración institucional en apoio aos e ás traballadoras de Alcoa e contra o peche da factoría. Ás 11.30 horas comezará unha sesión plenaria de carácter extraordinario na que se debaterá, como punto único, unha moción cuxo contido foi acordado este xoves na Xunta de Portavoces, a proposta do alcalde, Xulio Ferreiro. Media hora antes, o rexedor recibirá no pazo de María Pita o comité de empresa.
NOS_20400
Galicia en Común acusa Feixoo de pór as siglas do PP "por diante das vidas".
O voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, amosou o malestar da coalición pola "pertinaz e irresponsábel" estratexia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de convocar, no inmediato, unhas eleccións "que porían en risco a saúde e as vidas das galegas e galegos logo de dous meses de esforzo e loita contra a pandemia da COVID.19". En referencia á reunión de partidos que na quinta feira, 14 de maio, se realizou con motivo do calendario electoral, Reino asegurou que se tratou dun "teatro performativo de dúas horas e media no que, en absoluto, Feixoo recolleu a opinión unánime e a diagnose común das forzas da oposición deste país". Nese sentido, para Reino é unha "mágoa" que a Xunta "depaupere as institucións galegas antepondo as súas siglas, a estratexia do partido e as ambicións políticas por diante das vidas das galegas e galego". Galicia en Común tería preferido, dixo Reino, que a reunión de partidos convocada por Feixoo fose para " falar da necesaria reconstrución deste país golpeado no sanitario, no económico e no social pola pandemia; e non para falar de eleccións". Nese sentido, o voceiro da coalición asegurou estar convencido de que "a Xunta non ten ningún plan para garantir a saúde pública no proceso electoral, ao igual que tampouco o tivo para o desconfinamento". "Está claro", concluíu Reino, "que o futuro deste país pasa por dar un xiro de 180 graos ás políticas de austeridade e pór fin a dez anos moi duros de recorte do público que, lamentabelmente, evidenciaron que non estabamos suficientemente preparadas para encarar unha crise como esta". Gómez Reino engadiu que a man da súa formación "está tendida" para formar na Galiza un "Goberno progresista e de coalición".
PRAZA_10550
Manuel Fraga Pedroche era asistente do PP na Eurocámara dende 2012; agora traballará no mesmo posto para os tres eurodeputados de Vox
Manuel Fraga deixa o PP e ficha por Vox. A frase é literalmente certa e é resultado da fichaxe dun dos netos do falecido presidente da Xunta pola formación de extrema dereita, que dende o pasado 26 de maio conta con tres escanos no Parlamento Europeo. Manuel Fraga Pedroche, que segundo o seu perfil profesional público exerceu estes labores na Eurocámara dende o ano 2012, continuará facéndoo na nova lexislatura, pero traballando para Vox.Manuel Fraga Pedroche era asistente do PP na Eurocámara dende 2012; agora traballará no mesmo posto para os tres eurodeputados de VoxTal e como adiantou El Independiente, o partido confirma o cambio de postos que xa reflicte tamén oficialmente o Parlamento Europeo. Tras sete anos a traballar como asistente para o PP, Fraga Pedroche é xa a todos os efectos "asistente acreditado" de Hermann Terstch, Jorge Buxadé e Mazaly Aguilar, os tres representantes de Vox na nova lexislatura europea.Estes asistentes acreditados son seleccionados directamente por un ou varios deputados para asesoralos no seu labor e legalmente son empregados do Parlamento Europeo. Traballan nas dependencias do lexislativo comunitario en Bruxelas, Estrasburgo ou Luxemburgo e "asisten directamente os deputados no seu traballo, baixo a súa dirección e autoridade e sobre a base dunha confianza mutua", detalla a Eurocámara. Cada un deles ten como límite salarial o dun eurodeputados -uns 6.000 euros brutos mensuais-.Estes asistentes son seleccionados directamente por un ou varios deputados e legalmente son empregados do Parlamento EuropeoFraga Pedroche pon fin así a unha andaina que iniciou como empregado dos representantes do PP na Eurocámara pouco despois de rematar os seus estudos de Dereito na Universidade Complutense de Madrid, segundo o seu currículo público. Na lexislatura europea que vén de rematar (2014-2019) foi asistente de varios eurodeputados do PP, entre eles Esteban González Pons.Nas eleccións do 26M Vox tivo unha escasa penetración no electorado galego. A diferenza doutros lugares, nos comicios ao Parlamento Europeo este partido non chegou nin ao 3% de apoio cidadán en Galicia.
PRAZA_13544
A xornalista galega Adriana Valiño descríbenos en Gongbaojiding, o blog de Praza Pública sobre China, como é aquel país e como son os seus habitantes. Esta semana fala sobre como son as parellas asiáticas.
Esta cidade é bastante caótica, e ao final déixaste levar por ese caos. Polo menos é o que me está a pasar a min. Cada día crúzome con cousas que me gustaría fotografar para mostrarvos, pero o ritmo incansable no que se vive en Pequín non me deixa tempo a nada. Descubrín que si que é certo iso de traballar coma un chinés e que algúns llelo queren aplicar tamén aos estranxeiros (é o caso da miña xefa). Pero como quero facer unha entrada amable de China hoxe non me meterei con ella. Xa haberá tempo! Dende que me mudei a este país estou moi pendente das diferenzas entre as parellas occidentais e asiáticas Dende que me mudei a este país estou moi pendente das diferenzas entre as parellas occidentais e asiáticas. A verdade é que niso si que non me paran de sorprender as diferenzas culturais! Teño oído moitas historias que aínda non puiden confirmar, como o feito de que as mozas chinesas no verán (que xa fai que está asentado aquí) se dedican a secarlles a suor aos seus namorados. Se ben suar suamos todos aquí nos días de 35 grados, aínda non tiven a oportunidade de ver as amantísimas chinesas limpar a fronte dos seus mozos. Tamén ao parecer son tan compracentes que fan de augadoras dos seus mozos. Se o mozo ten ganas dun refresco vai ser a moza a que, amablemente e servida dunha palliña, llo dea, e despois de que o mozo beba ten sempre un pano a man para limparlle a boca. Pero non pensedes que os mozos non fan nada pola súa moza: unha das cousas máis comúns que podes ver no metro é os rapaces cargando co bolso da moza Pero non pensedes que os mozos non fan nada pola súa moza: unha das cousas máis comúns que podes ver no metro é os rapaces cargando co bolso da moza. A verdade é que se dan situacións cómicas, bolsos hiperfemininos con chineses con cara de son todo un homazo. Eu penso que as mozas deberían comprar os bolsos de acordo co estilismo do mozo e non co seu, pero nada, non hai maneira. Os bolsos no mellor dos casos teñen un charón rosa cunha Hello Kitty no medio! O colmo para min chega no punto no que as parellas deciden vestir do mesmo xeito. Os primeiros días miraba para eles sen ningún tipo de disimulo. Agora decidín tomarlles fotos para poder poñelas no blog! O colmo para min chega no punto no que as parellas deciden vestir do mesmo xeito Ao principio eu pensaba que soamente os noviños quererían ir vestidos da mesma forma, ensinado así ese amor tan profundo que se deben profesar. Pero que grande era o meu erro! Non soamente novos, senón parellas con fillos deciden vestir todos iguais ou polo menos na mesma gama de cores! ... Le o resto do post en Gongbaojiding
NOS_6082
Os medios españois continúan a cargar nos seus editoriais, e tamén nas páxinas de información, contra o proces independentista catalán após os atentados de Barcelona e Cambrils. Botamos unha ollada aos exemplos máis representativos.
A estratexia mediática en contra do lexítimo dereito do pobo catalán a expresar a súa opinión a respeito do proces soberanista continúa após os atentados da quinta feira e da madrugada da sexta feira en Barcelona e Cambrils, respeitivamente. Xa non só cos editoriais, a través das páxinas de opinión, senón tamén nas de información. Desta maneira, a meirande parte dos medios españois cargan na edición deste domingo contra as palabras do conseller de Interior, Joaquim Forn, por especificar as nacionalidades das vítimas dos atentados, entre as que incluía a catalá. A prensa aproveita para cargar contra o nacionalismo con titulares do tipo, "O Goberno catalán distingue entre vítimas catalás e españolas". A relación das nacionalidades das vítimas tamén lle serviu a El País para criticar o conseller no editorial deste domingo, "máis grave aínda resultou a lamentábel intervención do conseller de Interior, Joaquim Forn (...)". "Descoñecemos que atribucións, criterios ou parámetros ten o conseller para atribuír os falecidos as citadas distincións. Lamentamos que unha persoa cunha posición institucional tan importante amose, nun momento de dor e de responsabilidade tan crucial, uns prexuízos ideolóxicos tan preocupantes", continúa o editorial, que acrecenta o seu ataque furibundo ao se referir á "falta de respecto tan inmensa ás vítimas e, por extensión, a todos os cidadáns deste país". Reclama "unha rectificación pública en toda regra". E, como se non for suficiente, El País publica dous cadriños de Peridis que tamén cargan contra o procés e que vinculan "a folla de ruta" coa "filla de loito". O propio director do medio, Antonio Caño, saía en Twitter ao paso das múltiplas críticas vertidas nesta rede social, "con todos os respeitos, non vou permitir que se denigre de forma tan ruín unha exemplar traxectoria profesional", salientaba. O outro gran medio de Madrid, El Mundo, a través do seu editorial, tamén alude ás palabras do conseller de Interior e apela, como boa parte dos medios españois, á "unidade política", "os nacionalistas deben afrontar a realidade e arrimar o ombreiro porque o inimigo non fai distincións entre cataláns, madrileños, londinenses ou parisienses. Porén, malia a brutalidade do acontecido, o Govern segue teimando no procés e trata de facer propaganda co atentado", sinala o diario, que tamén critica a Raül Romeva, conseller de Exteriores, por se presentar como "ministro de Asuntos Exteriores" nas televisións estranxeiras. "Roto o espellismo, Puigdemont debe elixir entre o proceso separatista ou o abrazo á Constitución e reconducir a súa relación co estado para combater xuntos o terrorismo". Outros exemplos Alén da expresión dunha liña editorial anti independentista, tamén puideron percibirse mostras de adulteración de declaracións nesta ofensiva mediática. O exemplo máis claro é o dunhas declaracións do president da Generalitat, Carles Puigdemont, en Onda Cero, que foron terxiversadas e difundidas na meirande parte dos medios españois con titulares do tipo "Puigdemont: Os atentados non cambiarán a nosa folla de ruta sobre o proceso". Unhas supostas declaracións que o debuxante Peridis aproveitaba, como antes explicamos. O entrevistador de Onda Cero preguntáralle ao president se o atentado modificaba "dalgún xeito" os plans da Generalitat a respeito do procés. Puigdemont respostaba: "É que non entendo que teña absolutamente nada a ver. O que non cambiará en absoluta será a nosa política de seguridade pública". Outra fronte aberta nas últimas horas por parte dalgúns medios ten a ver coa ausencia de bolardos na Rambla, un feito que foi presentado como un enfrontamento entre o concello, do que é alcaldesa Ada Colau, e a Generalitat.
NOS_4952
CIG-Ensino recabou os apoios no marco da campaña 'O traballo docente é importante', que percorreu numerosos centros de ensino e na que se realizaron 1.200 asembleas.
Máis de 9.100 sinaturas de docentes que demandaban calidade para o ensino, mellores condicións laborais e creación de emprego foron entregadas esta cuarta feira no rexistro da Xunta. Sinaturas recollidas pola CIG-Ensino durante a súa campaña 'O traballo docente é importante', unha iniciativa realizada entre o profesorado e que percorreu numerosos centros de ensino do país e no marco da cal decorreron 1.200 asembleas. 'O traballo docente é importante' vén dar continuidade á ILP impulsada polo sindicato nacionalista e que reuniu máis de 23.000 apoios. O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, subliñou que o que se presentou son propostas e reivindicacións sentidas polo profesorado que "incidirían de maneira moi positiva na calidade do ensino e na mellora das condicións laborais". Denunciou que o profesorado foi obxecto,nestes anos de "numerosas descualificacións por parte das autoridades educativas" e que con esta campaña perséguese xustamente "valorizar o noso traballo" como "piar fundamental para o sistema educativo". Louzao denunciou que o profesorado foi obxecto nestes anos de "numerosas descualificacións por parte das autoridades educativas" Estatuto de profesorado galego Entre as propostas contempladas nesta iniciativa está a elaboración dun Estatuto do Profesorado Galego que permitiría, afirma Louzao, mellorar a calidade do ensino. Outras demandas son a de reducir as ratios en todos os niveis educativos, elaborar un plan de formación que abranga ao conxunto do profesorado para que se forme nas súas áreas, mais tamén para que se actualice tanto en medidas pegadóxicas e didácticas innovadoras, como en cuestións relativas á atención á diversidade e apoio educativo. CIG-Ensino tamén propón que se deixen de reducir os salarios do profesorado, que deixou de percibir, desde 2009 até agora, entre 24.000 e 42.000 euros.
NOS_2281
A etiqueta de Novo Cinema Galego leva xa unha década en curso. Nos Diario aproveita para repasar a repercusión e a actualidade dun termo que, a modo de marca, serviu para construír unha comunidade e exportar o noso audiovisual, por primeira vez na vangarda.
O Novo Cinema Galego roza a década coa entrada do 2020. A etiqueta viu a luz 2 de xaneiro de 2010 nun artigo que o crítico Martin Pawley escribiu para o Xornal de Galicia. A dez anos vista, o propio autor valóraa como "decisiva para normalizar o que estaba daquela xurdindo", a modo de "paraugas protector para sinalalo como colectivo". Para a investigadora e produtora Beli Martínez o termo fai referencia a "un colectivo de xente que entende o cinema da mesma forma", o que vai máis alá da autoría individual e sinala directamente cara á "estrutura", é dicir, todo o que se agocha tras o filme en si, como os modos de produción, de difusión ou exhibición. O Novo Cinema Galego constituíu unha anomalía que "por primeira vez, a cultura galega non chegaba tarde a algo", di Pawley. Da efervescencia inicial, este audiovisual de vangarda evolucionou cara a "un cinema máis maduro e accesíbel", en palabras de Xurxo González. A heteroxeneidade da propia etiqueta condiciona a dificultade por "atopar unha sinxela continuidade" no movemento, segundo Jose Manuel Sande. O sector, que "nestes 10 anos foi o principal motor de posición da Galiza no mundo", segundo Pawley, continúa aínda na precariedade e inestabilidade por falta de apoio político. A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.
PRAZA_4085
Camaras automáticas colocadas polo cineasta Pela del Álamo para o seu próximo filme capturaron "reiteradamente" a presenza do animal no Parque Natural do Invernadeiro
Camaras automáticas colocadas polo cineasta Pela del Álamo para o seu próximo filme capturaron "reiteradamente" a presenza do animal no Parque Natural do InvernadeiroA produtora Zeitun Films, coa que está a dirixir a súa próxima película, Montaña ou Morte, o cineasta Pela del Álamo, vén de anunciar que as cámaras automáticas de fototrampeo colocadas en diversas localizacións do Parque Natural dos Montes do Invernadeiro, no Macizo Central ourensán, rexistraron "reiteradamente" a presenza dun oso pardo na zona, na que non hai constancia de presenza da especie desde hai máis dun século. A noticia prodúcese despois de que nos últimos anos se rexistrase tamén a presenza de exemplares no Courel, co que estarían a estenderse máis alá dos Ancares, a única zona de Galicia que ata agora contaba con presenza regular."O exemplar, un macho de entre 3 e 5 anos, é o primeiro en ser filmado na zona e probablemente o primeiro que transita esta comarca nos últimos 150 anos"Segundo informan desde a produtora, para o rexistro destas imaxes o equipo de Zeitun Films contou co asesoramento dos Axentes Ambientais da Xunta no Invernadeiro Ricardo Prieto Rocha e Tomás Pérez Hernández, os dous expertos coñecedores da comarca. Segundo salientan, "o exemplar, un macho de entre 3 e 5 anos, é o primeiro en ser filmado na zona e probablemente o primeiro que transita esta comarca nos últimos 150 anos".O equipo de filmación contou co asesoramento de axentes ambientais da Xunta"Segundo os axentes ambientais do parque, o animal pasou con toda seguridade o inverno no Invernadeiro. Este dato sería indicativo de que a zona é apta para que outros exemplares se establezan no futuro", indican desde Zeitun Films, engadindo que "as primeiras hipóteses apuntan a que este individuo procede da zona occidental, probablemente do Courel", o que "constataría a boa evolución das poboacións estables desa zona e as recentemente detectadas na zona do Barco de Valdeorras".A película de Pela del Álamo, engade a produtora, está actualmente en fase de desenvolvemento e conta co financiamento da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a colaboración do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta en Ourense.
PRAZA_19023
O recurso da Xunta contra a constitución do ente supramunicipal polas diferenzas na integración de principal concello no transporte comarcal reaviva un conflito que PSdeG, BNG e Marea ven de "uso partidista" por parte do PP, que tamén está a bloquear a creación do organismo na Coruña.
Máis de 17 anos de traballos e frustración A polémica que agromou de vez na asemblea constituínte do pasado 1 de decembro continúa a batalla política entre Xunta e Concello de Vigo, desta vez nos xulgados. O Goberno galego confirmou esta semana que presentará un recurso contencioso administrativo contra a creación da Área Metropolitana de Vigo ao entender que "non se dan os presupostos legais imprescindíbeis para a legal constitución" deste novo organismo. A resposta a esta decisión foi rápida por parte da administración local. "Novamente, a Xunta usa o PP local contra a cidade", asegura tras advertirlle ao Executivo que se verán nos tribunais "onde perderán" porque, segundo din, asístelles "a democracia e a razón". A Xunta confirmou esta semana que presentará un recurso contra a creación da Área Metropolitana de Vigo O alcalde vigués presidente da Área, Abel Caballero, tampouco tardou en responder e insistiu nas súas críticas ao presidente da Xunta por "atacar a cidade porque non o quere e non o votou". O resto de concellos non gobernados polos populares coincidiron nos reproches ao Goberno galego e aos populares. Ven no fondo da polémica unha intención claramente política e de bloqueo partidista por parte do PP a través de institucións como a de nova creación, que empezou con problemas desde a súa sesión constitutiva. Este mesmo domingo, a formación conservadora foi quen acusou o rexedor vigués de "usar" o ente como un "instrumento de confrontación". "Recapacite", pediulle. Vigo e o resto de concellos non gobernados polo PP ven no recurso un paso máis do bloqueo "partidista" que intentan os populares a través da Xunta Daquela, os alcaldes do PP abandonaron a sala tras polémica, balbordo e descualificacións mutuas. Entendían que o Concello de Vigo non cumpría co establecido ao non asinar a entrada no Plan de Transporte Metropolitano. Arturo Grandal, alcalde de Salvaterra e presidente da Mesa de Idade, optou por suspender a asemblea pero o secretario -que tamén o é de Vigo e que o foi da Consellería de Economía con Javier Guerra- advertiu que non había "causa legal" para tal suspensión. A sesión continuou coa ausencia dos populares e Caballero foi nomeado presidente da Área cos votos do PSOE, BNG e Marea. Antes, cando o PP xa advertía das súas intencións futuras ao non rexistrar a Área no Rexistro de Entidades Locais de Galicia, as tres vicepresidentas e vicepresidente do novo ente, Eva García (alcaldesa de Porriño, PSOE), Leticia Santos (Moaña, BNG) e Xosé Manuel Pazos (Cangas, Marea), denunciaran a "instrumentalización política" que o PP fai da Xunta neste asunto, criticando o "partidismo" do goberno galego. Eva García lembraba que a Xunta está a incumprir unha lei do Parlamento e sinala que mesmo podería estar a incorrer en prevaricación, actuando de forma inxusta á mantenta. "Feijóo está iracundo e rabioso contra Vigo e a súa Área Metropolitana", di Caballero "O Goberno autonómico sabe que o ente supramunicipal está ben constituído e que xa está funcionando pero Feijóo está iracundo e rabioso contra Vigo e a súa Área Metropolitana", insistiu o Concello tras coñecer o recurso xudicial. A orixe do conflito sitúase na integración "efectiva" de Vigo no plan de transporte metropolitano, unha condición esixible para que se poña en marcha segundo a lei aprobada no Parlamento de Galicia. Malia a sinatura do convenio entre Caballero e Feijóo no Concello, as diferenzas son claras. A administración local alega que xa cumpre o acordado ao aceptar queu a concesionaria do transporte urbano, Vitrasa, se integre no sistema supramunicipal aínda que coa condición de que os habitantes de fóra da cidade só poderán beneficiarse do importe reducido nas viaxes metropolitanos. O conflito reside na integración de Vigo no transporte metropolitano e na consecuencia económica: o Concello vea xa efectiva pero non así a Xunta O Executivo galego e o PP entenden que tanto cidadáns vigueses como os do resto de concellos teñen que poder usar o bus urbano a prezo reducido e sen limitacións. No fondo, unha confrontación política -tamén partidista- e un motivo económico, xa que Vigo tería que poñer máis fondos no caso de que se adopte ese prezo reducido para calquera habitante da Área, unha achega que desde o Concello propoñen que faga a Xunta. "Unha vez máis, Feijóo sitúase contra Vigo, querendo que pague o que ten que pagar a Xunta, querendo que Vigo o pague todo pero eses tempos acabáronse. O viguismo de Feijóo rematou o día despois das eleccións", dicía a nota do Concello logo de coñecer o recurso do Goberno galego. Boicot do PP á Área Metropolitana, tamén na Coruña Desde os diferentes partidos advírtese de que a posición dos representantes do PP e pola Xunta con respecto á Área Metropolitana de Vigo é semellante á que nos últimos dous meses os populares veñen mantendo no proceso de constitución da Área Metropolitana da Coruña, que está a dar os seus primeiros pasos. En ambos os dous procesos o PP ten unha posición claramente secundaria: as urbes principais -Vigo e A Coruña- están gobernadas por PSdeG-PSOE e Marea e a maior parte dos restantes concellos que conforman as dúas áreas están xestionados igualmente por PSOE, Marea, BNG ou rexedores independentes que apoian de forma clara os procesos. Na Coruña, os rexedores de Arteixo, Abegondo e Carral, únicos concellos gobernados polo PP, negáronse a asinar o pasado 20 de outubro a Declaración de María Pita. Este pasado 20 de decembro os tres rexedores populares sumáronse finalmente á mesa da área metropolitana pero sen garantir o seu apoio, supeditando a súa incorporación á declaración institucional a que haxa consenso no pleno coruñés, na que tanto PP coma PSOE se abstiveron na votación que tivo lugar en novembro. O 22 de decembro, logo do encontro que Abel Caballero e Xulio Ferreiro mantiveron na Coruña, o alcalde vigués alertou de que o Goberno galego poría obstáculo ña constitución da Área Metropolitana da Coruña (dando por feita, iso si, a inscrición da viguesa). "Vigo tivo que pelexar coa intransixencia e intolerancia de Feijóo. El non entende que agrupando concellos poidamos ser quen de configurar liderados en Galicia", dixo Caballero.
NOS_52435
Hoxe vén de inaugurarse 'Parábola da Abundancia', unha exposición do catalán Francesc Torres e da americana Terry Berkowitz sobre o mundo das mariscadoras na Costa da Morte e nas Rías Baixas. Estes dous artistas, que teñen exposto no MOMA e moitos outros museos do mundo, quedaron cativados pola potencia simbólica desta dura actividade recolectora e ancestral.
- Que vos chamou a atención a Terry Berkowitz e a ti do mundo das mariscadoras para crear unha exposición arredor do seu mundo? - Todo comezou por dous conductos. Primeiro eu levo vindo aquí desde hai anos á Costa da Morte, fago fotos e empecei a fotografar as mariscadoras porque as tiña a man, ademais de porque coñezo a algunhas da vila. E, claro, é un tema fantástico para fotografar. Coñecía pouco toda a parte económica do traballo, a historia e todo isto, pero de entrada comecei a facer fotos, a ler, e os meus amigos Lino [Lema] e Chisco [Fernández Naval] íanme dando moita información. Total que chegou un momento en que tiña moito material, amoseillo a Terry e sabía que a ela lle ía interesar moitísimo unha liña de traballo totalmente autocontida e controlada por mulleres, non só no sentido da recolección senón que son elas as que xestionan o recurso, e que isto supuxera unha loita reivindicativa moi importrante a partir dos anos 80. A ela estas cousas interésanlle moito, pareceulle un gran tema, e propúxenlle que o fixeramos xuntos. Non tiñamos unha idea clara de cal era o obxectivo, que formato, se ía ser un libro ou outra cousa, pero o importante era facelo. E comezamos por conta propia, sen cobertura nin encargo previo. O marisqueo é un labor autosuficiente, non explotativa no sentido de que non resta recursos, senón que está en perfecto equilibrio co ciclo natural da renovación das especies. - Como vos repartistes o traballo? - Os dous fixemos de todo. Tanto ela como eu fixemos foto fixa e vídeo. E unha vez metidas no saco común era dos dous. E cando Lino se enterou do proxecto falounos do 40 aniversario da fundación do Museo do Pobo e gustaríanos que se expuxera daquela. E pareceunos fantástico. - Queredes chamar a atención sobre a fraxilidade do equilibrio ambiental da zona. - Hai varias cousas aí. Unha é que o marisqueo é un labor autosuficiente, non explotativa no sentido de que non resta recursos, senón que está en perfecto equilibrio co ciclo natural da renovación das especies. Pero xustamente por iso é fráxil. Mesmo a nivel visual ten unha carga simbólica tremenda. Sucede xusto no punto no que se xunta o mar e a terra, nunha fronteira tremendamente difusa. E isto pode cambiar con moita facilidade, e está a cambiar por razóns que todos coñecemos: o cambio climático, a polución... E entre todo o que está a pasar unha das cousas máis graves é a polución dos plásticos. O plástico non se desintegra e chega a desfacerse en micropartículas que nin as podes ver. E isto vai parar a toda a cadea alimentaria, que chega a nós, por suposto. É alarmante, porque calculouse que en 2050 que haberá máis plástico nos océanos que biomasa. E parecíanos que dentro desta problemática tan inminente, tan fodida, aí estaban estas señoras facendo o seu traballo, que non é que sexa feminino pero rematou sendo, porque son as mulleres as que o coparon. E son unha especie de estandarte da preservación do equilibrio natural. O noso ten que funcionar doutro xeito, explicar o que non se pode explicar con táboas de datos e feitos marmóreos - Asumides que é unha actividade en proceso de extinción, ao igual que boa parte do sector primario, esteamos a falar de vacas ou de ameixas? - Non é o único punto de conflicto, pero é moi sintomático, e ademais pódelo amosar con imaxes que son suficientemente potentes como para explicarse a si mesmas. Por outra banda, a min particularmente parecíame que desde un punto de vista estrictamente visual pero tamén coa súa carga ideolóxica poder amosar a todas estas mulleres facéndose cargo deste labor, polo que representa, que o puideran facer sen esteren tuteladas... todo cadra. - Falades tamén de que é unha homenaxe ás mulleres. - É. - Traballastes fundamentalmente na Costa da Morte e na Arousa. - Si, en Panchés, Caldebarcos, Lira, Muros e Cambados. O que se intentou é que a exposición esperte unha certa reflexión non só sobre o marisqueo, senón o que representa se o perdemos. - Xogades coas cores do plástico en contraposición ás cores da natureza. - Si, pero non é unha decisión estética. Todo o plástico que veu, quedou tal cual. Non hai nada arranxado para facelo lucir dalgunha maneira particular. Claro que hai unha certa distribución para dar idea da magnitude da cantidade de porcallada coa que temos que convivir, pero tamén sae esa configuración, que é artificial, pero quixémolo facer así para reflectir de forma máis cercana cando te encontras todo isto no entorno natural. - Itinerará a exposición a outros lugares? - É un traballo que non é fácilmente exportable, sácalo de Galiza e pode parecer unha cousa exótica e moita xente non sabe nin que existe. Dentro de España, imaxina fóra, aínda máis. A razón pola que isto poida ir parar a un museo norteamericano se non é a partir dun coñecemento mínimo do que se se está a falar, non deixa de ser un exotismo que non nos interesa que se convirta na razón principal para que esta peza viaxe. Interésame moito máis traballar e facer arte en espazos que non son artísticos - Enfocástelo como un traballo de investigación, non? - Máis que un traballo de investigación é un traballo de experimentación, de "a ver que pasa". Non sei se unha investigación, pero desde logo ti tes que coñecer o suxeito que estás a tratar para facerlle un mínimo de xustiza. O que non podíamos facer é o mesmo que faría un sociólogo, para iso están os sociólogos. O noso ten que funcionar doutro xeito, explicar o que non se pode explicar con táboas de datos e feitos marmóreos. O que se intentou é que a exposición esperte unha certa reflexión non só sobre o marisqueo, senón o que representa se o perdemos. E se o perdemos, o porqué. Non é unicamente unha anécdota moi concreta, moi localizada, que se utiliza como unha metáfora para algo moito máis grande e máis extendido, pero que ten que funcionar máis no terreo máis emocional que no terreo dos feitos consumados. Ten que emocionar. Se o fixemos ben tería que emocionar. Se non emociona, malo. - E que supón para vós, artistas contemporáneos, expoñer nun museo etnográfico? - Un museo de etnografía, isto tivémolo claro, ten un tipo de público distinto. Non é que foramos baixar o listón, nin moitísimo menos, pero tes que ter en conta cal vai ser a túa audiencia, sen dar nada dixerido nin destacado, pero ten que haber un contacto fácil. Isto seguramente que nun museo de arte contemporánea xa non o teriamos feito, e nun museo de etnografía, que a min me interesa máis que un de arte contemporánea [risos]. Interésame moito máis traballar e facer arte en espazos que non son artísticos. Se traballas nun museo contemporáneo sabes cales son os códigos e o que tes que facer, hai moi pouco que aprender, en cambio cando cambias de rexistro e ti mesmo te pos fóra da contorna que che é familiar, fas as cousas doutra maneira e, consecuentemente, o que sae é distinto do que farías normalmente.
NOS_26151
O rapaz vigués, acusado de colaboración con Resistencia Galega, saíu o pasado mes de maio en liberdade após pasar tres anos na cadea, en réxime FIES e dispersado
O día internacional dos Traballadores, Diego Santim poñía o pé fóra da prisión salamantina de Topas, onde estivera internado os dous últimos anos. Alén dese centro penitenciario, Santim tamén pasou por Soto del Real (Madrid) e Dueñas (Palencia), amais dun breve ingreso nunha cadea galega. Integrante do Colectivo de Presas Independentistas Galegas durante o seu internamento, o mozo apoiou as accións de protesta contra a dispersión penitenciaria. -Como está a ser este período de abandonar a dinámica da cárcere? -Fatal, porque non me deron o subsidio ao saír da prisión. Tiña 2 meses de desemprego sen cobrar e dixeron que a prestación está por riba do subsidio. Así que só cobrei o desemprego, en xuño e xullo. Xa non teño nada. De feito, tiven que buscar traballo decontado. Agora traballo 12 horas ao día. - Mantés o teu compromiso independentista? -Estou involucrado no centro social A Revolta, que xa foi a primeira militancia que tiven. Polo demais, apoio sen militancia seria. Por exemplo, o Día da Patria lin o manifesto de Causa Galiza, aínda que non participe activamente e a diario. -Como foron estes tres anos para ti? -Non sei, tentei continuar a militancia dentro do que puiden. Houbo reflexión persoal, desporto, empecei a estudar Xeografía e Historia. É máis centrarse nun mesmo, manter a dignidade, loitar contra o sistema, os xaxúns nas últimas sextas feiras de cada mes… Pouco se pode facer. -Até onde chega a prisión, a súa lóxica? Ao final é unha situación onde se magnifica a dicotomía. Tes o represor en fronte todos os días. É quen abre as portas e quen as pecha. Calquera cousa que precises pasa por eles. O ámbito máis persoal ou íntimo está acaparado por eles. -E as comunicacións co exterior, como son percibidas? -Cortan calquera comunicación un pouco decente. Eu, por exemplo, tiven problemas para comunicar coa familia. Non me querían dar o tempo que me correspondía e despois en queixa o xuíz xa me deu a razón. -Iso como foi? -Ti tes dereito a 22 horas coa familia e logo outro bis coa parella, mais ao non ter parella estaba a mudar esas horas para estar coa miña familia. Mudaron o director e dixo que non se podía. Ao final, meses despois, déronme a razón. -A pesar do control das comunicacións, nótase o apoio exterior? -Si, claro. As postais que fixo Que voltem para a casa, por exemplo, son ar fresco, moito ánimo. Porén, tamén tardan en chegar. -Foste detido en 2012 en Vigo, e condenado en 2015 a tres anos por colaboración con Resistencia Galega. Como foi para ti o momento da detención e o proceso xudicial? -A detención non é que fora esperada, mais si que podía pasar. Eu agradecín entrar en prisión despois dos tres días coa Garda Civil porque foi un momento de descanso, de entrar na cela e poder durmir. Logo, o xuízo encareino tentando manter a dignidade. Aceptei tres anos mais o fiscal pedía moito mais, ao principio solicitaba 22 anos. O avogado fixo moito. -Como foron eses primeiros momentos coa Garda Civil? -Foron oitenta horas, tres días e algo. Estaba absolutamente incomunicado. Ao primeiro é peor, logo o segundo día cada 12 horas tes unha forense que che di que hora é e pouco máis. "Ao final, a condición de preso político depende do resto. Por moito que penses que o es, se o resto non te recoñece, pouco fas" -Durante estes anos, alén do apoio de Que voltem para a casa e do teu entorno, como foi a relación co resto de independentistas presas? É necesaria esa dimensión colectiva? -Claro. Ao final, a condición de preso político depende do resto. Ti por moito que penses que o es, se o resto non te recoñece, pouco fas. O resto ou o propio Estado, que tamén recoñece, mais tacitamente: o réxime FIES, o primeiro grao, a dispersión… Ao final, aínda que non te recoñeza directamente, está actuando contra ti como tal. -Estes últimos meses entrou no debate público a eliminación da dispersión penitenciaria das presas cataláns. Como ves que isto pode influír na situación das presas independentistas galegas? -A ver se de rebote, non? Eu penso que non nos van agasallar nada. Tamén penso que a plataforma está intentando que se acepte o traslado aquí, mais non vai ser agasallado. Hai que pedilo e esixilo. "Cuns arames electrificados, podes evitar que a xente escape, mais a xente podería ver o que pasa dentro e iso non interesa" -Pensas que hai abonda concienciación social sobre as presas políticas? Os centros penitenciarios están moi lonxe da ollada pública mesmo fisicamente, localizados fóra dos espazos habitados. -Agora as prisións novas, as grandes, desde a década dos 90, xa están afastadas das cidades. Xa non son as de antes, que case están no propio núcleo. Hai unha cita que di "os muros das prisións non son tan altos para evitar que escapen os presos, senón para que non poidamos ver o que hai dentro". É dicir, podes evitar que a xente escape cuns arames electrificados, mais a xente podería ver o que pasa dentro. Ao final, interesa máis que non se vexa, interesa o oscurantismo, que non se saiba o que pasa dentro… As institucións penitenciarias teñen a súa propia sección de sanidade e de case todo. O Ministerio de Sanidade alí non fai nada, e digo médicos, como inspeccións das cociñas, como tratamento dos funcionarios. É todo interno, non hai nada fóra do Ministerio de Interior que regule as prisións. -Desde Que voltem para a casa manteñen que a loita das presas políticas segue a ser unha cuestión de dereitos humanos coa que todos podemos empatizar. Pensas que hai concienciación? -Socialmente non hai consciencia. Dentro do nacionalismo hai simpatías e coñecemento, mais fóra non. Confúndese moito o que son os dereitos humanos, ter un réxime de vida decente, con estar de acordo co que fixemos ou non. Moita xente xustifica a situación co tema da violencia, penso eu. A percepción social é moi distinta co tema dos cataláns, porque está claro que non exerceron violencia ningunha e aí si lles parece un escándalo que estean lonxe da casa, que non poidan comunicarse coa familia… Porén, cos vascos, cos GRAPO, con nós… condiciona moito o tema da violencia.
NOS_12940
A investigación contra Hunter Biden, fillo do presidente dos Estados Unidos de América (EUA), Joe Biden, colleu forza nos últimos meses. Dita investigación, que comezou en 2018, refírese a múltiples actividades financeiras e comerciais en terceiros países, entre os que se atopa Ucraína.
A investigación do Departamento de Xustiza sobre as actividades comerciais de Hunter Biden cobrou forza nos últimos meses, cunha onda de testemuñas que están a brindar declaración neste proceso. Os feitos que están a ser investigados son se Hunter Biden e algunhas das súas persoas asociadas violaron as leis de lavado de diñeiro, impostos e influencia no estranxeiro, así como un posíbel incumprimento da regulacións sobre armas. A actividade na investigación tivo interrupcións polo coronavirus e pausas ao redor das eleccións de 2020, e nalgúns casos, os investigadores non fixeron un seguimento durante meses despois de comunicarse coas posíbeis testemuñas. Biden veta a importación de petróleo e gas de Rusia e estuda alternativas con Venezuela Porén, nos últimos meses, a investigación sobre Biden intensificouse xunto coas discusións entre o persoal do Departamento de Xustiza sobre a solidez do caso. As pescudas centráronse inicialmente en cuestións fiscais e transferencias de diñeiro relacionadas con actividades comerciais na China, e posteriormente examinouse o papel de Hunter Biden mentres formaba parte da dirección da compañía enerxética ucraína Burisma. O investigado regularizou impostos pendentes, os rexistros públicos mostran que resolveu a súa situación fiscal pagando máis de 450.000 dólares en gravames estatais en Washington até 2020. Mais eses pagos non resolveron os seus problemas legais, pois existen dúbidas sobre a orixe dos fondos para pagar a regularización de impostos. Negocios en Ucraína A participación de Biden en Ucraína foi unha fonte importante dos seus problemas legais e políticos. Formou parte da xunta directiva da enerxética ucraína Burisma e cobrou até 50.000 dólares ao mes, entre 2014 e 2019, segundo un informe do Senado liderado polos republicanos sobre as actividades comerciais de Biden publicado en 2020. O período no que Hunter Biden tivo relación coa empresa ucraína superponse coa época durante a que seu pai foi vicepresidente do Executivo dos EUA e na que resultou elixido polo entón presidente, Barack Obama, para manexar os asuntos relacionados con Ucraína. A Xustiza investiga se unha empresa de representación que traballa con Burisma chamada Blue Star Strategies se achegou a funcionarios do Goberno dos EUA nun intento de puír a reputación da empresa ucraína despois de existir controversias entre o país norteamericano e a enerxética por determinadas accións do seu fundador. A UE substituirá o gas natural ruso polo estadounidense O ano pasado os investigadores buscaron información de antigos contactos de Hunter Biden. O seu socio e tamén membro da xunta directiva de Burisma, Devon Archer, compareceu ante o Gran Xurado de Delaware o xullo pasado, e foi preguntado sobre os pagos que Burisma fixo a unha entidade fundada por Biden e outras persoas, que parecían ter relación cos impostos de Biden, segundo revelaron fontes involucradas a CNN. Entre as testemuñas do caso atópase unha muller de Arkansas que tivo un fillo con Hunter Biden e que o demandou por impago da manutención infantil. O avogado da muller revelou a CNN que declarou o pasado febreiro ante o Gran Xurado en Delaware e entregou os rexistros financeiros que tiña do acusado. Tamén, segundo publicou The New York Post o pasado mes, descubriuse que no interior dunha computadora que Biden deixou abandonada nunha tenda, había mensaxes nas que facía fachenda de se aproveitar do poder do seu pai, así como máis de dous mil fotografías, entre elas, unha cantidade indeterminada de contido sexual. Relación con laboratorios de armas biolóxicas O Ministerio de Defensa de Rusia afirmou que dispón de correspondencia de Hunter Biden que confirma un vínculo financeiro con biolaboratorios destinados a usos militares en Ucraína. O Goberno dos Estados Unidos recoñece a existencia de "instalacións de investigación biolóxica" en Ucraína O presidente da Duma Estatal rusa, Viacheslav Volodin, exixiu explicacións do presidente dos EUA, Joe Biden, sobre os supostos vínculos do seu fillo con experimentos militares de biolaboratorios ucraínos. "Non é calquera persoa involucrada na creación de biolaboratorios en Ucraína, senón o mesmo presidente dos EUA", declarou.
NOS_3722
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) vai conmemorar esta terza feira, 24 de febreiro, o Día de Rosalía de Castro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como o aniversario do nacemento da autora de Cantares gallegos.
A idea central desta edición do Día de Rosalía, 24 de febreiro, promovida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) é a de agasallar un libro en galego e unha flor, unha idea xa trasladada aos centros de ensino e á sociedade xeral e que agora se vai extensiva ao Parlamento. Con está proposta á Cámara de representación das galegas e dos galegos, a AELG solicita a declaración do 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro e, con este motivo, o emprendemento e o apoio á realización de actividades de promoción da obra da escritora que "impliquen ao conxunto do pobo galego", comunican. Así mesmo, a asociación suxire realizar unha lectura pública da obra rosaliana no Parlamento, da man dos e das escolares galegas. Así, e alén do acto central que terá lugar ás 12 horas do sábado 27 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, a AELG en colaboración coa súa base asociativa está organizando por todo o país lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro. En todos estes actos lerase o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborou a escritora Anna R. Figueiredo co título "#TeusDoces Cantares". "Para expandir o poder da palabra rosaliana entre a xente nova", a AELG convida a conmemorar o Día de Rosalía nos centros de ensino con accións colectivas. "A difusión da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar", din desde a asociación, "sendo a súa palabra feita poesía ou prosa reflexiva un dos procedementos máis eficaces para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural".
NOS_8731
A proposta do PP "buscaba" a ollos do BNG "cuestionar a lexitimidade das e dos representantes das formacións nacionalistas e soberanistas, que representan no Congreso máis de 2 millóns de persoas".
O Partido Popular non logrou os votos necesarios para aprobar a súa proposición de reforma do regulamento do Congreso presentada onte na Cámara Baixa polo deputado Carlos Rojas. Querían desde a dereita española con ela rematar coas formas en que deputadas e deputados soberanistas adoitan acatar a Constitución española para poderen adquirir a condición de parlamentares. "Por imperativo legal", acompañado de expresións en defensa dos pobos e a democracia, son as formas empregadas por representantes do Bloque Nacionalista Galego, ERC, Junts e outras forzas das nacións sen Estado. A proposta do PP "buscaba cuestionar a lexitimidade das e dos representantes das formacións nacionalistas e soberanistas, que representan no Congreso máis de 2 millóns de persoas", aseguraron desde o BNG. Precisamente o deputado nacionalista galego Néstor Rego votou onte contra esta iniciativa do Partido Popular así como contra unha proposta de Vox sobre "a familia" por excluír todas aquelas persoas "que non gostou" á ultradereita "como as parellas do mesmo sexo, as mulleres e especialmente, as persoas que deciden ter fillas ou fillos elas soas, maioritariamente mulleres".
NOS_8666
Sanidade rexistrou catro falecementos máis, todos con patoloxías previas.
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) contabiliza 22.477 casos activos na Galiza, despois de que baixasen en 357 con respecto á xornada anterior. Pola contra, volven subir lixeiramente os novos contaxios, xa que o último reporte contabiliza 1.676, 94 novos contaxios máis. En canto ao número de pacientes ingresados pola Covid-19 descenderon até as 509 as persoas que se atopan nun complexo hospitalario pola infección. Delas, 25 están nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI), catro menos que na xornada anterior, mentres que 484 persoas seguen hospitalizadas en unidades convencionais, 51 menos. Os 21.968 casos activos restantes atópanse en seguimento domiciliario. En canto á taxa de positividade, volveu descender até 11%. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria redúcese nas sete. En concreto, a área da Coruña e Cee baixan a seis pacentes Covid en UCI (un menos) e a 117 os ingresados noutras unidades (nove menos); na de Vigo baixan a dous os críticos (un menos) e a 60 os doutras unidades (once menos). A área sanitaria de Lugo convértese na única sen pacientes UCI, e baixan a 46 os ingresados noutras unidades (cinco menos), mentres que na de Santiago e Barbanza descenden a seis os críticos (un menos), e a 85 os doutras unidades (catro menos). Na de Ferrol suben a catro os ingresados en UCI (un máis) e baixan a 35 os hospitalizados noutras unidades (catro menos), e na de Pontevedra e O Salnés queda só un crítico (un menos) e 74 os doutras unidades (oito menos). Na área sanitaria de Ourense mantéñense seis pacientes hospitalizados en UCI e baixan a 77 os pacientes Covid noutras unidades (dez menos). Descenso dos casos activos O descenso non é xeralizado nas sete áreas sanitarias, xa que a de Lugo ten un lixeiro incremento (+30). A da Coruña e Cee vai á cabeza en descensos (-186), seguida da de Ourense (-87), Pontevedra e O Salnés (-62), Vigo (-28), Santiago e Barbanza (-17), mentres que Ferrol foi igual. A área da Coruña, con 4.724 casos, segue a ser a que máis casos activos contabiliza; seguida da de Vigo, con 4.527; Santiago e Barbanza, con 3.918; Lugo, con 2.702; Ourense, con 2.679; Pontevedra e O Salnés, con 2.392, e a de Ferrol, con 1.307. Segundo o último informe actualizado a 22 de febrero polo Ministerio de Sanidade, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza está en 1.126,26 casos por 100.000 habitantes. Seguen a baixar os contaxios Desde o comezo da pandemia contabilizáronse 492.429 novas infeccións, das que 116.613 corresponden á área de Vigo; 103.418, á da Coruña e Cee; 77.213, á de Santiago e Barbanza; 58.654, á de Ourense; 56.892, á de Pontevedra e O Salnés; 51.302 á de Lugo; e 27.757, á de Ferrol. Na xornada deste domingo leváronse a cabo 4.129 PCR, que elevan a 3.683.227 as probas realizadas desde o inicio da pandemia na Galiza e 3.476 test de antíxenos, que suman 1.513.305. Falecidos e curados A Consellaría de Sanidade comunicou o falecemento de tcatro persoas nos últimos días que contaban con patoloxías previas, o que eleva a 3.086 os finados pola Covid desde o comezo da pandemia. En canto aos curados, desde o comezo desta crise sanitaria 466.919 personas superaron satisfactoriamente a Covid-19.
NOS_29912
É a primeira vez que un beatle actúa en Galiza. Non é o que máis cancións achegou ao cuarteto, pero si cantou unha das máis célebres: Yellow Submarine. Tamén compuxo algunha disimulada alfaia. É o caso de Octopus's Garden. O seu carisma, ademais, resulta indiscutíbel. Esta sexta feira actuará no Coliseo da Coruña.
O batería de The Beatles comparecerá acompañado da All-Starr Band, coa que xira desde 1989. A súa décimo terceira encarnación -en que militan ex membros de 10CC, Santana ou Toto- será a que se presente en Galiza. A base do concerto, o seu disco do pasado ano, Give more love. Aínda que a carreira en solitario de Starr -o último dos Beatles en ingresar no grupo- é nutrida -19 pezas-, o público tamén asistirá á intepretación de material beatle. Polo menos, algúns dos temas que saíron da súa pluma: Don't pass me by do White Album, Honey don't de Beatles for Sale ou I wanna be your man de With the Beatles. As entradas para o debut beatle en Galiza -quedan algunhas á venda- custan entre os 48 e os 75 euros.
NOS_42841
A deputada ourensá asegura que "non soporto máis a situación" dentro da coligación entre Anova e EU, formación en que militaba e que esta fin de semana aprobou por unanimidade a súa expulsión.
A deputada de AGE Carmen Iglesias anunciou esta segunda feira que vai deixar a formación para pedir o seu ingreso no Grupo Mixto, que constituirá en solitario. A ourensá tomou esta decisión porque "non podo soportar máis" na coligación de Anova e Esquerda Unida, o partido en que militaba e que esta fin de semana aprobou por unanimidade a súa expulsión. A ourensá decidira agardar ao 3 de febreiro, cando tiña a primeira reunión co conxunto do grupo parlamentar, para decidir se quedaban ou marchaba. Finalmente escolleu ingresar no Grupo Mixto porque a xuntanza "foi a pinga que fixo rebordar o vaso". Contou a Sermos Galiza que esta fin de semana a coligación organizou un acto en Ourense ao cal asistiron representantes de Anova e de EU "e a deputada de Ourense --en referencia a si propia-- enterouse pola imprensa". "Estiven a traballar e o meu traballo non chegaba a ningures" Malia que a expulsión da organización xa a coñecía, Iglesias argumentou que o que lle "doeu" foi "a linguaxe durísima" con que se sentiu "publicamente machacada" e quixo destacar que "eu non son ningunha mártir". Ao lle preguntar se seguirá a apoiar o traballo que AGE faga na Cámara, a deputada respondeu que "depende de se me gusta ou non, porque hai moitas cousas con que non concordo nin con Anova nin con EU" e considera que a súa saída das bancadas da coligación "beneficia a todos porque todos estaremos moito máis cómodos". Carmen Iglesias, quen tomou posesión da acta no mes de decembro após marchar David Fernández Calviño, afirmou que "estiven a traballar" malia que "o meu traballo non chegou a ningures". Así, explicou que ten xa tres iniciativas preparadas para remitir á mesa do Parlamento: para esixir a derrogación da Lei de Familia e a modificación completa da Lei de Protección da Muller Embarazada --ambas impulsadas polo grupo ultraconservador Red Madre-- e unha pregunta a respeito das irregularidades que a Xunta pudera ter cometido na adxudicación do posto de dirección na casa de acollida a mulleres en situación de violencia machista. "O que máis me motiva é que vou ter, en cada pleno, tres minutos para falar", subliña. Iglesias, quen xa deixara claro que "eu non preciso AGE para estar no Parlamento", non marcha soa. Canda ela leva a asignación mensal que corresponde a cada grupo parlamentar, 9.971 euros; outros 1.837 euros que ingresa cada grupo por representante eleit@; e 5.898 máis por contratación de persoal. Así que Alternativa perde unha deputada e uns 62.400 euros en toda a lexislatura.
PRAZA_696
Trátase unha rede de persoas e entidades dispostas a compartir e a intercambiar manifestacións e expresións da cultura galego-portuguesa. Presentarase en maio e xuño cunha completa axenda de actividades en Amarante e A Coruña
Que Galicia e Portugal están unidas por unha multitude de ligazóns culturais, comezando polo idioma, alimentadas pola proximidade xeográfica, é unha realidade que ninguén pon en dúbida. As posibilidades están aí, e dende hai anos funcionan mesmo estruturas institucionais, chámese Eurorrexión ou Eixo Atlántico, que poderían servir para vehiculizar redes e intercambios. Porén, en moitas ocasións esta unión non chega a cristalizar. Culturaqueune é unha rede de persoas e entidades "dispostas a compartir e a intercambiar manifestacións e expresións da cultura galego-portuguesa" Vén de nacer Culturaqueune, unha rede de persoas e entidades "dispostas a compartir e a intercambiar manifestacións e expresións da cultura galego-portuguesa", que buscan dende a sociedade civil e a iniciativa privada, co apoio de institucións públicas, facilitar todos os procesos de intercambio, poñendo a disposición dos autores e artistas espazos, mecanismos de difusión e todos os demais apoios que necesiten. Está promovido por AGAL, Ponte nas Ondas e a Fundación Vicente Risco pola parte galega; e pola cámara municipal de Famalicão, o Museu Bernardino Machado ou a Casa Museo de Monção pola portuguesa, co apoio de institucións coma a Real Academia Galega, a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense ou a Academia Galega da Língua Portuguesa. Todas elas destacan o impulso que para esta iniciativa supuxo a aprobación, en marzo de 2014, da Lei Paz Andrade: "invítanos, e até certo modo obríganos, a afondar no esforzo do encontro", sinalan. O proxecto naceu, en primeiro termo, en conversas entre a Fundación Vicente Risco e Norberto Cunha, responsable do Museo Bernardino Machado de Vilanova de Famalicão, como destaca Luís Martínez-Risco. "A partir de aí lanzamos unha serie de convites con persoas que sabiamos que estaban traballando na mesma dirección. Queriamos que fose algo aberto, pero acoutado, evitando crear unha iniciativa asemblearia na que todo o mundo falase e ninguén fixese nada. Queriamos xente enfocada ao traballo práctico", di. "Notamos que hai locais que precisan de actividade, de contidos culturais, e artistas e autores que necesitan de locais para difundir o seu traballo e as súas creacións" "Notamos que hai locais que precisan de actividade, de contidos culturais, e artistas e autores que necesitan de locais para difundir o seu traballo e as súas creacións", explica Martínez-Risco, que sinala que "non queríamos ficar aí, reducidos a unha especie de mercadeo de locais e artistas ou a unha caste de axencia de colocación, senón que tamén queríamos dotar o proxecto de contido e dunha filosofía". "A filosofía" -conta- "é que hai unha Eurorrexión e un Eixo Atlántico, pero estas son estruturas que só funcionan dende arriba e nas que só teñen voz os grandes: os concellos, os Gobernos e as grandes institucións, pero nas que non se está traballando dende a base". "Hai un enorme baleiro e polo tanto pérdese cohesión na Eurorrexión", engade. "Hai unha Eurorrexión e un Eixo Atlántico, pero estas son estruturas que só funcionan dende arriba e nas que só teñen voz os grandes: os concellos, os Gobernos e as grandes institucións, pero nas que non se está traballando dende a base" Para Martínez-Risco, Galicia e Portugal "temos unhas problemáticas económicas ou demográficas moi semellantes, e pode ser que a través da cultura sexamos quen de crear un mercado interno, fomentando tamén os intercambios comerciais e económicos entre unha beira e outra do Miño". A rede está en marcha, aínda que con moitas cousas aínda por perfilar, "pero se agardamos a ter todo listo non arrancamos nunca", di Luís Martínez-Risco. Tamén se lanzará un portal web, "cun custe mínimo de deseño e mantemento", que se sosterá coas achegas dos participantes. Actividades en Amarante e A Coruña "Pode ser que a través da cultura sexamos quen de crear un mercado interno, fomentando tamén os intercambios comerciais e económicos entre unha beira e outra do Miño" A rede darase a coñecer nos meses de maio e xuño cun completo programa de actividades en Amarante e A Coruña. O obxectivo é que este dobre festival se repita todos os anos en dúas localidades galegas e portuguesas. A primeira cita será na vila portuguesa, o vindeiro 2 de maio, unha xornada na que se inaugurarán cinco exposicións de pintura, fotografía e escultura de artistas galegos e galegas e tamén a mostra Do Saudosismo ao Atlantismo. Así mesmo, haberá un recital de poesía clásica de autores galegos e portugueses (Carlos Da Aira, Delfín Caseiro, Fernando Soares, Ramiro Torres, Yolanda Castaño), dous concertos (Bruar e o grupo de Cámara Hotteterre) e unha mesa redonda na que Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo, Arturo Lezcano Fernández e Pilar Garcia Negro falarán sobre "A intelectualidade da Galiza e do Norte de Portugal". As actividades en Amarante pecharanse o 30 de maio, coa celebración do Festival Culturaqueune, que constará dun encontro de artistas participantes para tratar de futuras iniciativas conxuntas, un recital de poesía contemporánea (a cargo de Alfredo Ferreiro, Amadeu Baptista, Carlos Da Aira, João Madureira, Ramiro Torres, Virgínia do Carmo e Yolanda Castaño), unha sesión de contadores de historias (Isabel Risco, Vitor Fernandes e Xurxo Souto) e dous concertos máis (o Dúo Bossa Nova -Ton Risco e Jacobo de Miguel- e o dúo Jazz– Terra Morena). A rede darase a coñecer nos meses de maio e xuño cun completo programa de actividades en Amarante e A Coruña En xuño será a quenda da Coruña, que acollerá igualmente un gran número de actividades culturais, desta volta protagonizadas sobre todo polos artistas e autores e autoras portuguesas. A partir do 10 de xuño (Día de Camões), inauguraranse en distintos espazos da cidade exposicións de fotografía, pintura e escultura, así coma de novo a mostra Do Saudosismo ao Atlantismo. Así mesmo, a sede da Real Academia Galega acollerá unha mesa redonda na que Norberto Cunha, Paulo Vieira de Castro, Paulo Samuel e Gaspar Martins Pereira analizarán "as relacións intelectuais entre Galicia e Norte Portugal". Concertos e recitais poéticos darán paso a unha derradeira xornada de actividades, o 13 de xuño, na que destaca o encontro de artistas participantes para tratar de futuras iniciativas conxuntas, o recital de poesía contemporánea, a sesión de contadores de historias e a proxección do filme mudo Carmiña Flor de Galicia, co acompañamento musical de Cántigas da Terra. Consulta aquí o programa de actividades (.pdf)
PRAZA_4731
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES da Pobra do Caramiñal pon en marcha por segundo ano consecutivo esta iniciativa, en colaboración con todos os mestres do centro, a ANPA, o Concello e os comercios da vila. O alumnado leva a cabo a experiencia de falar en galego en todos os ámbitos durante tres semanas.
21 días falando en galego, na escola, na casa e tamén pola rúa, nos comercios da túa vila. Evidentemente non é nada extraordinario para unha persoa galegofalante, ou que empregue esta lingua boa parte do tempo, pero si constitúe toda unha experiencia para quen non estea afeito a facelo, como boa parte do alumnado de ESO e Bacharelato do IES da Pobra do Caramiñal. Velaí a importancia do proxecto, 21 días co galego, que por segundo ano consecutivo vén de poñerse en marcha no centro, promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega. A Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística do Barbanza baralla a posibilidade de realizar a actividade en varios centros no vindeiro curso Trátase de que durante tres semanas os alumnos e alumnas dos catro cursos de ESO e os dous de Bacharelato falen en galego. Por suposto nas clases de Lingua e Literatura galegas, pero tamén no resto das aulas, grazas á colaboración dos restantes departamentos. Así, durante estas tres semanas impartiranse en galego as Ciencias, Educación Física e a Tecnoloxía, e mesmo as traducións de Inglés e Francés faranse á lingua de Galicia. Tamén falarán galego na casa, grazas ao compromiso da ANPA e mesmo nos comercios da vila contando coa colaboración de 25 establecementos do CC Aberto O Deán e dos supermercados Eroski e Gadis. Ademais, os alumnos e alumnas deberán gravar cada día un breve vídeo ou audio (cos seus móbiles ou calquera outro aparello) relatando as súas impresións ou opinións sobre distintos asuntos ou sobre a súa propia relación coa lingua. O primeiro obxectivo desta actividade é "o aumento e perfeccionamento do emprego da lingua oral" por parte dos alumnos e alumnas, pero tamén busca que realicen unha "reflexión íntima e persoal da relación que persoa ten co galego dende a súa situación vital concreta e individual", e que rachen con algúns obstáculos e barreiras internas que en moitas ocasións os frean á hora de "lanzarse" a falar. Pilar Ponte, docente no centro e unha das promotoras da iniciativa, destaca que "a experiencia o ano pasado foi moi positiva porque aínda o alumnado máis remiso a falar galego participou. Realmente falaron só nos vídeos máis minutos que na clase de galego durante un curso enteiro". Pilar Ponte explica que "sempre pensan que saben falar menos do que saben, logo vén a motivación e ao final decátanse de que 'non era para tanto' e en moitos casos chegan a dicir que non o van seguir falando pero que polo menos agora saben que se queren poden facelo". "Non é unha actividade para aprender gramática, é unha actividade para soltarse a falar. Na maioría dos casos a evolución é saber, querer, poder", di. "A experiencia o ano pasado foi moi positiva porque aínda o alumnado máis remiso a falar galego participou. Realmente falaron só nos vídeos máis minutos que na clase de galego durante un curso enteiro" A principal diferenza coa experiencia do pasado ano está na colaboración deses axentes externos ao centro (familias, comercios, Concello...), que facilita que a iniciativa teña continuidade cando os rapaces e rapaces saen do instituto: "Quixemos que nese tempo que o alumnado non está no centro tamén houbese unha maior exposición ao idioma, queremos aumentar en cantidade e tamén en calidade no sentido de abrir novos ámbitos de uso", destaca Pilar Ponte. Tamén colaboran na iniciativa persoas completamente alleas ao centro e á mesma Pobra, persoeiros do mundo da cultura, da literatura, da música ou do audiovisual, que tamén gravan un pequeno vídeo falando de diversos temas, uns vídeos que son vistos polos alumnos na clase e que cada día se van subindo á rede. Nesta segunda edición xa podemos ver os vídeos de Agustín Fernández Paz ou Francisco Castro, e na primeira o instituto contou coa colaboración de María Reimóndez, Luís Iglesia, Xosé Antonio Touriñán, Cándido Pazó, Lucía Aldao, María Yáñez, María Solar, Xabier Díaz, Uxía Senlle ou a Orquestra Panorama. Pilar Ponte salienta que a súa resposta foi "xenerosísima" e di que "a mágoa é que non vexan despois as reaccións que provocan no alumnado. O que máis valoran é a sinceridade do íntimo, cando a xente fala co corazón e dende o corazón. Aprecian moito esas pequenas anécdotas familiares dos famosos que teñen que ver coa lingua e nas que moitas veces tamén se ven reflectidos". Pilar Ponte destaca que se trata dunha iniciativa "moi necesaria", pola "desgaleguización total que temos no ensino medio, polo menos na Pobra" O éxito da experiencia fixo que xa nos últimos meses varios docentes de toda Galicia se puxesen en contacto co IES da Pobra do Caramiñal para interesarse pola iniciativa, que mesmo foi destacada nun portal vasco especializado en educación. Ademais, a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística do Barbanza baralla a posibilidade de realizar a actividade en varios centros no vindeiro curso. "É fundamental moverse no terreo deles. Hai que ir ao Tuenti e ao Twitter, hai que estar aí porque aí é onde se fala" Pilar Ponte destaca que se trata dunha iniciativa "moi necesaria", pola "desgaleguización total que temos no ensino medio, polo menos na Pobra". E sinala que a clave do seu éxito está sendo a boa recepción que tivo entre os rapaces: "É unha actividade na que é imprescindible provocar o entusiasmo da descuberta, que os alumnos sintan que se lles ofrece unha aventura". E, ademais, empregando ferramentas (os móbiles, vídeos, youtube...), coas que están moi familiarizados e que forman parte da súa vida cotiá: "É fundamental moverse no terreo deles. Educativamente falando, creo que non se pode partir de que eles veñan a nós, somos nós os que temos que mover ficha e apropiarnos dos seus ámbitos de uso para educar. Hai que ir ao Tuenti e ao Twitter, hai que estar aí porque aí é onde se fala".
NOS_15562
Ás ordes de Fernando Vázquez o canteirán do Dépor Álvaro Lemos estaba chamado a ser protagonista no exercicio 2013/2014, rumo ao ascenso a Primeira División. Unha lesión interpúxose no seu camiño. Case catro anos despois, Lemos, nunha reviravolta tan propia do planeta fútebol, debuta en Primeira. E marca. Co Celta!!
O Celta está vivo nas tres competicións -só o Barça e o Atlético de Madrid poden dicer o propio na liga española- e foi a Leganés co cerebro posto no combate copeiro desta semana co Alavés. Si, mais a equipa B do Celta -unha aliñación con varios non habituais- non vos é calquera cousa. E a escadra viguesa voltou a casa cos tres pontos. Cómoda vitoria. 0-2. A segunda fóra de casa. Saíu a equipa viguesa con xente que desfrutou até o de agora de poucos minutos como o italiano Giuseppe Rossi e Pione Sisto. E puxo de titular no seu debut en Primeira División o ex deportivista Álvaro Lemos, un futebolista polo que o treinador Fernando Vázquez, ex do Celta e do Dépor, tiña verdadeira devoción. Lemos xogou sen complexos, tanto que até inaugurou o taboleiro de marcas. O Celta pensaba na Copa, o Leganés seguramente nas insuficiencias propias. A equipa madrileña, porén, está neste momento fóra de perigo porque supre a súa falta de calidade cun futebol rocoso e disciplinado. Para sorte do Celta non tivo o seu día e a escadra viguesa exhibiu fondo de armario, suficiente para cazar a segunda vitoria lonxe de Balaídos. Fechou o partido Guidetti, após unha contra galega. O Leganés tivo as súas oportunidades, entre elas unha do arzuán Insua, mais a portería viguesa ficou intacta. A má noticia do choque foi a lesión de Rossi, que continúa sen ter fortuna. Leganés: Herrerín; Víctor Díaz, Insua, Mantovani, Adrián Marín; Timor (Luciano, min.53), Rubén Pérez, Gabriel; Unai López (Machís, min.73), Szymanowski (Samu García, min.73) e Guerrero. Celta: Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Sergi Gómez, Andreu Fontás, Carles Planas; Nemanja Radoja, Pablo Hernández, Josep Señé (Jozabed Sánchez, min.89); Álvaro Lemos (Jonny Castro, min.79), Giuseppe Rossi (John Guidetti, min.42), Pione Sisto. Goles: 0-1, min.32: Lemos; 0-2, min.66: Guidetti, de penalti. Árbitro: Trujillo Suárez. Cartóns amarelos para Fontás (min.45) e Gabriel (min.86).Incidencias: 10.929 espectadores.
NOS_9444
"Ningún solicitante de asilo pode ser detido de maneira automática" , adiverte a organización internacional após comprobar que só dúas persoas das 89 que entrevistaron en Lesbos e Quíos, contaban con orde de detención baseada en circunstancias propias.
Amnistía Internacional vén de publicar un informe sobre a situación que atinxe as persoas retidas nos campos de detención de Moria (Lesbos) e VIAL (Quíos). No campo de Moria (Lesbos) atópanse detidas 3.150 persoas cando a súa capacidade é de apenas mil Ambos os dous emprazamentos, tornados após a entrada en vigor do acordo entre a UE e Turquía, centros de internamento para as persoas que solicitan asilo, acollen aproximadamente 4.200 persoas. Por volta de 3.150 só en Lesbos malia que a capacidade do campo é de apenas mil. A organización internacional realizou 89 entrevistas, entre elas mulleres grávidas, mulleres soas con crianzas e persoas con traumas ou doenzas graves que son identificadas como "grupos vulnerábeis". Gauri van Gulik, director AI para Europa: "As detencións automáticas son ilegais" Após as entrevistas realizadas nos dous campos --que fican fechados aos ollos do mundo exterior polo arame de espiños-- o director de Amnistía Internacional para Europa, Gauri van Gulik, exixiu a posta en liberdade "inmediatamente" das persoas vulnerábeis entre elas "moitas crianzas pequenas, persoas con discapacidade ou persoas con necesidades médicas urxentes" que atoparon na súa visita. Aliás, sinalou que se están a "pisotear os dereitos e o benestar das persoas máis vulnerábeis", para comezar pola súa detención sen cumprir cos preceptos legais estabelecidos internacionalmente. "Ningún solicitante de asilo pode ser detido de maneira automática", dixo Gauri van Gulik. Neste senso, só dúas das 89 persoas entrevistadas por Amnistía Internacional puido achegarlle á organización ordes de detención baseadas en circunstancias individuais. "As detencións automáticas son ilegais", subliñou. O campo de Quíos é unha antiga factoría de aluminio abandonada na que a asistencia médica só está disponibel unhas horas ao día No VIAL (Quíos), unha antiga factoría de aluminio abandonada, só contan con asistencia médica unhas horas concretas e non hai medicinas suficientes, segundo recolle o relatorio de Amnistía Internaciona. En Moria (Lesbos) hai tres facultativos para 3.150 persoas. O acceso á comida está tamén "restrinxido", relatan, e milleiros de persoas concéntranse en apenas espazo véndose moitas obrigadas a durmir ao raso durante días até seren acomodadas en tendas de acampada precarias. A ausencia de intérprete deixou unha crianza de 8 anos se médico Un dos relatos recollidos por Amnistía é o dunha familia de 8 integrantes, entre as que se atopa unha muller grávida, unha crianza de 4 anos e un home en cadeira de rodas que permaneceron dúas noites durmindo fóra con "dúas mantas" a repartir. Tamén incorporan ao informe o caso dunha nena iraquiana con infección de cadeira e necesidade urxente de recibir tratamento. Foi ao médico do campo en dúas ocasións, na primeira non había intérprete e na segunda "simplemente denegáronlle acceso", di Amnistía Internacional. "Sempre ten dor", explica a nai.
NOS_43016
O Monte Neme foi, desde a Segunda Guerra Mundial e até o 2012, un emprazamento de extracción de volframio e de cuarzo. Unha incesante actividade mineira que, xunto coa neglixencia política, converteu a paraxe nun punto de desastre ecolóxico. Un feito que se ve esquecido, na actualidade, pola proliferación de turistas que acoden a fotografiarse coas turquesas augas existentes.
A 385 metros do mar, entre os concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños, eríxese o Monte Neme, un histórico emprazamento protagonista de numerosas lendas sobre meigas que na actualidade se constitúe como unha das paraxes protagonistas da rede social Instagram. A comezos do mes de xuño saltaba a alarma nas redes sociais tras a publicación, por parte dunha usuaria, dunha fotografía bañándose nas turquesas augas estáticas deste cerro. Unhas críticas enfocadas á perigosidade do baño pola toxicidade das augas. Deixando a un lado os elevados niveis de aluminio e a presenza de arsénico e prata que presenta a poza, a turistificación é moito máis discutíbel desde unha perspectiva medioambiental. O lugar é, na actualidade, un punto de desastre natural derivado dunha cuestionábel explotación mineira liga a malas praxes políticas. Un histórico emprazamento mineiro A constitución como canteira do Monte Neme remóntase ao comezo da Segunda Guerra Mundial. Este territorio foi un dos múltiples puntos galegos en que os nazis extraían volframio como material para fabricar, posteriormente, tanques de combate e diversas maquinarias e municións. Lonxe de cesar a súa explotación ao rematar o conflito belixerante, a canteira mudou anos despois como un punto de extracción de cuarzo. A compañía encargada desta explotación foi a desaparecida Leitosa SAU, a cal pertencía ao grupo empresarial de Juan Cotino, político valenciano do PP vinculado a diversas tramas de corrupción. A extracción mineral paralizouse en 2012, cando a sociedade entrou nun concurso de acredores, sen chegar en ningún momento a ser restabelecida a paraxe tras a súa explotación. Unha medida á que a empresa non estaba obrigada dado á inexistencia dun aval, por parte da Xunta, que lles esixise tales accións. Así pois, tras o seu abandono, a canteira quedou tal e como se atopa na actualidade. Sendo un perigoso territorio con restos de oxidadas e esquecidas infraestruturas e coa presenza de seis balsas de augas tóxicas rodeadas de elevados e empinados pedreiros. A catástrofe ambiental En 2014, as desouvidas advertencias dos concellos implicados e da veciñanza respecto ao risco da presenza de residuos tóxicos na zona, tiveron como consecuencia un anticipado desastre ambiental. Unha das seis balsas de auga rebentou e 24.000 metros cúbicos de residuos desprazáronse ladeira abaixo causando múltiples estragos territoriais. Este suceso, a pesar da súa gravidade, non foi suficiente para proceder á restauración ambiental do lugar. A sete anos vista do abandono e a cinco da catástrofe, as veciñas e veciños seguen loitando pola reconstitución da súa anterior paraxe natural e, a maiores, pola constitución dunha memoria histórica que non dea a esquecemento todo o alí acontecido. Unha tarefa que se veu dificultada, nos últimos anos, pola banalización da paraxe como un cadro que subir a Instagram. Esta turistificación viuse reforzada, en 2017, por unha campaña da Xunta na que utilizaban o emprazamento como reclamo turístico. Un anuncio posteriormente eliminado tras as críticas recibidas. Co fin de facer fronte a esta situación naceu a Plataforma en Defensa do Monte Neme. Unha asociación desde a cal rexeitan a constitución do emprazamento como un punto de peregrinación turística, e reiteran que o acontecido é a consecuencia do incumprimento empresarial e da neglixencia das autoridades competentes.
NOS_21628
A concienciación das mulleres sobre a inxustiza dun sistema económico que desvaloriza o seu rol no mercado laboral segue plenamente vixente. Este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, achega dados esclarecedores: a fenda salarial entre sexos mantense por riba do 22% e a temporalidade e a precarización seguen a afectar maioritariamente as mulleres. Reproducimos un extracto da reportaxe que abre o semanario Sermos Galiza 236.
Os indicadores económicos máis relevantes reflicten unha serie de mudanzas significativas na participación e a calidade do emprego da muller no mercado laboral galego ao longo da crise. Fixando como referencia o ano 2008, cando a recesión era máis unha intuición que un feito, a fenda salarial entre homes e mulleres estaba por riba do 23% -arredor de 4.700 euros menos e, segundo UGT, no nivel do salario medio masculino do ano 2004-; en 2015, cunha relativa recuperación da situación económica xeral, esa diferenza estaba máis perto do 22%. Tamén a taxa de actividade apunta nesa dirección. Se antes da crise a distancia era de 16 puntos a prol dos homes, en 2016 situouse por baixo dos 10. E no referido á taxa de paro alcanzouse un certo equilibrio, superior, en todo caso, ao 20%, unha porcentaxe excesivamente elevada para unha sociedade moderna. Reducíronse minimamente as diferenzas entre homes e mulleres no mercado laboral, mais non foi por unha mellora das condicións de acceso da muller, senón, segundo sinala a Confederación Intersindical Galega (CIG) no seu último informe, "polo grave empeoramento das condicións laborais entre a poboación masculina". É dicir "esa diminución non é o resultado da mellora das nosas condicións salariais, senón da maior precariedade dos homes", explica Margarida Corral, secretaria confederal das Mulleres do sindicato. [Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 236, á venda na loxa online e nos quiosques e puntos de venda habituais]
NOS_25528
Os primeiros ministros de Irlanda, Micheal Martin, e do Reino Unido, Boris Johnson, coincidiron na necesidade de que se forme "canto antes" un novo Goberno en Irlanda do Norte. Os movementos chegan após a vitoria do Sinn Féin.
Os primeiros ministros de Irlanda, Micheal Martin, e do Reino Unido, Boris Johnson, coincidiron esta terza feira na necesidade de que se forme "canto antes" un novo Goberno en Irlanda do Norte, após gañar o Sinn Féin as eleccións. O Sinn Féin obtén unha histórica vitoria en Irlanda do Norte Os dous mandatarios falaron por teléfono, nunha conversa na que trataron os recentes comicios norirlandeses e tamén aludiron ás negociacións abertas entre o Reino Unido (RU) e a Unión Europea (UE) para resolver cuestións sobre o Brexit. Johnson mantén as súas críticas ao Protocolo de Irlanda do Norte, estabelecido para evitar unha 'fronteira dura' no borde entre as dúas partes de Irlanda. Martin avogou por "intensificar" o diálogo, pero instou ao seu homólogo do RU a "evitar calquera acción unilateral". As sondaxes apuntan a vitoria do Sinn Féin nas eleccións de Irlanda do Norte O primeiro ministro do RU sinalou que a situación é agora "moi grave", na medida en que considera que o actual acordo "non se sostén na súa forma actual", segundo un comunicado de Downing Street no que propuña "arranxalo". "A Comisión da UE non deu os pasos necesarios para resolver os problemas económicos e políticos" derivados do Protocolo, a xuízo de Londres, que podería tomar algún tipo de medida. Segundo fontes citadas pola BBC, a ministra de Exteriores e principal negociadora do RU, Lizz Truss, estuda desvincular o seu Estado de certos compromisos a próxima semana. Negociacións en Belfast As negociacións políticas en Irlanda do Norte están pendentes de que os partidos empecen a mover ficha, xa que mentres que o Sinn Féin reivindica o seu dereito a propor como ministra principal Michelle O'Neill, o Partido Unionista Democrático (DUP) sostén que non entrará en ningunha coalición se non se resolve o tema do Protocolo. O Protocolo foi avalado O Tribunal de Apelacións de Irlanda do Norte sentenciou o pasado 14 de marzo que o Protocolo incluído nos acordos do Brexit para evitar unha 'fronteira dura' con Irlanda é legal, mantendo vixente por tanto un dos aspectos máis controvertidos do pacto de divorcio entre o RU e a UE. A sentenza chegou despois de que un grupo de políticos unionistas, postura que defende o DUP, recorrera a sentenza do Tribunal Superior norirlandés, que xa o avalara. Novas probas da "guerra sucia" en Irlanda O Protocolo, que permite a Irlanda do Norte seguir no mercado único da UE e evita así un endurecemento da vixilancia na fronteira terrestre, foi pactado por Londres e Bruxelas, mais o Goberno de Boris Johnson ameazou con deixar de aplicalo unilateralmente.
PRAZA_5535
O número de desempregados apuntados nas oficinas de emprego descende en 6.319 en abril e a Seguridade Social gaña 3.443 ocupados no mesmo mes, pero só 614 nun ano. Máis de nove de cada dez novos contratos son temporais.
A Semana Santa e a pasada ponte de maio dan un pequeno respiro ao paro rexistrado tras os desastrosos datos da EPA que situaron a taxa de desemprego en Galicia no 23,2% e o número de persoas sen emprego en case 300.000 tras un primeiro trimestre de ano fatal para a autonomía. Desta vez, e segundo as cifras das oficinas de emprego, o comportamento do país foi moi semellante ao do conxunto do Estado en abril, ao baixar o número de parados en 6.319 persoas, o que supón un descenso do 2,29%, fronte ao 2,33% de España, e situarse a cifra total en 270.144. Galicia ten 20.315 parados rexistrados menos que hai un ano pero só 614 afiliados máis á Seguridade Social Galicia conta, xa que logo, con 20.315 parados rexistrados menos que hai un ano (-6,99%), pero ten tan só 614 afiliados máis á Seguridade Social que en abril de 2013, o que supón un mínimo aumento do 0,07%. Incluso descende esta cifra nas provincias de Ourense e Lugo. No último mes, o número de cotizantes ascendeu en tan só 3.443 persoas na comunidade, situándose o número medio de afiliados en 909.493 persoas no país. O desemprego descendeu nas catro provincias, sobre todo en Pontevedra (-2.566), que rematou o mes de abril cun total de 107.690 parados. A continuación situouse A Coruña (-2.077 e 106.056 desempregados), Lugo (-842 e 27.016) e Ourense (-834 e 29.382). Por sexo, Galicia conta con 139.398 paradas e 130.742 parado. Ademais, do total, 16.574 son mozos de menos de 25 anos. Os datos confirman o que agardaba a Xunta, que agora desdeña a EPA e só ten en conta os datos menos fiables do paro rexistrado Tal e como agardaba a Xunta, e logo de que Feijóo desdeñase os datos da EPA malia ser os únicos oficialmente recoñecidos a nivel europeo e os máis fiables, as cifras do paro rexistrado non foron a desfeita da Enquisa de Poboación Activa, pero tampouco confirman xa diferencial positivo ningún de Galicia co Estado. O comportamento é case idéntico en canto ao descenso relativo do desemprego, provocado principalmente neste mes de abril polas contratacións temporais para as vacacións de Semana Santa e do Primeiro de Maio. De feito, o desemprego descende en todos os sectores, pero fundamentalmente en servizos, onde baixa en máis de 4.000 persoas. Xa que logo, bastante máis da metade do descenso corresponden a este sector. Máis da metade do descenso do paro corresponde ao sector servizos, onde baixa en máis de 4.000 persoas Por outra banda, os datos de paro rexistrado e afiliación desestacionalizados (sen ter en conta o efecto calendario e o impacto de factores como a Semana Santa ou a ponte de maio) son positivos en Galicia, pero non tanto: o desemprego baixa en 3.329 persoas con respecto ao mes de marzo, o que supón un descenso do 1,26%. En canto á temporalidade, os datos son ben claros. O número de contratos rexistrados chegou aos 57.854 en Galicia en abril, o que supón un aumento de case 7.000 e de máis do 13% con respecto ao mes anterior. Non obstante, tan só 5.678 son indefinidos, nin tan sequera un 10% (9,8%) fronte ao 90,2% temporais. En canto ao conxunto do Estado, o desemprego baixou en abril 111.565 persoas e a Seguridade Social gañou 133.765 ocupados. O número total de parados alcanza os 4.684.301 e a afiliación está aínda en rexistros moi baixos, por baixo dos 17 millóns de ocupados (16.430.053). A Enquisa de Poboación Activa (EPA) que se publicou a semana pasada revelou unha significativa destrución de emprego de 184.600 postos de traballo e unha taxa de paro que se resiste a baixar. Ademais, os datos de paro rexistrado e afiliación desestacionalizados (sen ter en conta o efecto calendario e o impacto de factores como a semana santa) seguen en terreo positivo: o desemprego redúcese en 50.202 persoas e a Seguridade Social suma 61.111 ocupados. En abril asináronse 1.296.529 contratos, un 12,3% máis que hai un ano. Os contratos indefinidos (tanto iniciais como as conversións de eventuais en estables) crecen o 24,6% en termos interanuais, mentres que os temporais aumentan un 11,3%. No entanto, os indefinidos representan só o 9,4% de todos os contratos rexistrados o mes pasado. Tamén seguen crecendo outras fórmulas de contratación. É o caso do contrato de formación e aprendizaxe, cuxo uso crece un 31,1% respecto ao ano pasado, ou do contrato de prácticas, que aumenta un 19,6%. HABERÁ AMPLIACIÓN
NOS_21035
Portugal planea acoller un total de 500 nenos non acompañados, mentres que Finlandia comprometeuse a recolocar até 175 menores e outros solicitantes de asilo vulnerábeis procedentes de Grecia, Malta e Chipre.
As autoridades de Grecia trasladaron desde principios de mes case 800 persoas migrantes e refuxiadas desde a illa de Lesbos até a parte continental do país, co fin de reducir a saturación do campo de Moria. Por primeira vez desde hai meses, hai menos de 15.000 migrantes neste campo. O 8 de xullo, as autoridades tiñan rexistradas en campos das illas 32.177 persoas, por baixo tamén dos máis de 40.000 que houbo a principios de marzo, aínda que aínda por riba dos 8.000 para que foron concibidos. Segundo datos do Ministerio de Migración citados pola cadea ERT, en xuño, máis de 2.100 persoas foron trasladadas desde Lesbos, Quíos e Samos, mentres que en xullo a cifra ascende a case 784 só desde Lesbos. A Organización Internacional para as Migracións (OIM), o Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados (Acnur) e o Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (Unicef) celebraron tamén nun comunicado conxunto o recente traslado dun total de 49 menores non acompañados desde Grecia a Portugal e Finlandia. Acollida de menores Portugal planea acoller un total de 500 nenos non acompañados, mentres que Finlandia comprometeuse a recolocar até 175 menores e outros solicitantes de asilo vulnerábeis procedentes de Grecia, Malta e Chipre. Até esta semana, o proxecto europeo de recolocación só permitira o traslado de 65 crianzas entre abril e xuño a Alemaña e Luxemburgo. A ONU estima que a principios de xullo había case 4.700 menores non acompañados e separados en Grecia que "necesitaban urxentemente solucións duraderias", como un proceso de rexistro acelerado, a reunificación familiar e a recolocación. Preocupa a situación de máis de 1.100 expostos a graves riscos.
PRAZA_15115
Este martes preséntase Fóra (Pablo Cayuela e Xan Gómez Viñas). O mércores é a quenda de A Cicatriz Branca (Margarita Ledo). E o xoves chegará Arraianos (Eloy Enciso).
Entre a morea de filmes que ao longo do mes de novembro proxecta Cineuropa os galegos son unha minoria. E dende o logo o protagonismo decote lévano os Haneke ou Kiarostami. Pero esta semana é o cinema galego o que levará os titulares. Principalmente polas estreas de tres filmes: Fóra (Pablo Cayuela e Xan Gómez Viñas), A Cicatriz Branca (Margarita Ledo) e Arraianos (Eloy Enciso). Este mércores 21 Cineuropa acolle na súa Sección Oficial a presentación de A cicatriz branca. Concebida como cine-documento A cicatriz branca contén arquivos inéditos do filme Castelao de Jorge Prelorán. Foi filmada entre Galicia e Bos Aires ao longo de 2011 e recupera como escenarios certos lugares destacados na historia da emigración galega na Arxentina: o Centro Galego de Bos Aires, a Federación de Sociedades Galegas, o Centro Galicia en Olivos e a Estación Constitución cóntanse entre as súas localizacións. O sanatorio de Castro de Lea, e as Lagoas de Caque e Cospeito (Castro de Rei) son parte dos espazos da rodaxe en Galicia. Eva Veiga encabeza un cadro de actores do que tamén forman parte Xabier Deive, Lino Braxe, Tamar Novas, Mónica Camaño e Margarita Fernández e que conta coa colaboración especial de Manuel Sánchez Salorio e Carmen Valiño de Arias. O xoves é a quenda de Arraianos. O filme de Eloy Enciso obtivo o premio da sección Nuevas Olas no Festival Internacional de Cine de Sevilla, que está dotado con 15.000 euros para apoiar a distribución comercial do filme en España. O xurado destacou a "madurez" de Arraianos o seu "carácter híbrido entre xéneros e formas" e a súa procura "do cine fóra do cine e non dentro del". O filme estreouse en agosto no Festival de Locarno, e a vindeira semana participará no REC Tarragona. En Arraianos os habitantes dunha aldea perdida no arboredo entre Galicia e Portugal interpretan a súa propia vida mesturada con diálogos de O bosque, unha obra de Marinhas del Valle. Arraianos retrata unha comunidade rural na súa obstinada resistencia por desaparecer. Antes, este martes, chegará a estrea de Fóra, unha indagación sobre as historias ocultas dun lugar: o edificio do hospital psiquiátrico de Conxo. Empregando un dispositivo audiovisual que parte da posta en imaxe do documento, a longametraxe xera unha corrente alterna entre as imaxes da institución e as voces, ligadas aos relatos que abeira o edificio ou á lectura de fragmentos literarios e fontes documentais escollidas pola súa capacidade de resonancia no presente. A Historia de Conxo -imaxe especular da Historia compostelá- vaise esfarelando en pequenas historias que revelan a necesidade de explorar máis polo miúdo o significado social de determinados espazos reprimidos da memoria urbana. Proxeccións Martes 20. 20.15h. Fóra. Salón Teatro. Mércores 21. 20.00h. A cicatriz branca. Teatro Principal Xoves 22. 20.00h. Arraianos. Teatro Principal Toda a información sobre Cineuropa en Cinema na Praza
NOS_36460
Esta viguesa de adopción encabeza 'Un Mar de xente', unha das tres listas que concorren nas primarias de Podemos en Galiza e cuxas votacións decorren a partir desta sexta feira
- Vostede foi a persoa máis votada nas pasadas eleccións ao Consello cidadán, do que posteriormente demitiu. Cre que iso pode pasarlle factura neste proceso electoral, ou máis ben ao contrario? - O que me transmite a xente é que valorou a decisión que tomei naquel momento, porque considerei que Podemos estaba indo cara atrás. Deixei o cargo orgánico, mais non deixei Podemos nin deixei de traballar desde a base, nin de ter contacto cos movementos sociais e os círculos. - Que destacaría da candidatura 'Un Mar de xente', que achega que as outras non? Pois eu destacaría dúas cousas. En primeiro lugar, no documento político hai un salto cualitativo importante, facemos unha completa análise política, económica e social de Galiza e ofrecemos propostas de futuro; algo que as outras dúas candidaturas non teñen. Ademais, somos unha candidatura cunha ampla presenza da sociedade civil, con xente dos movementos sociais, do agro, do mar, das preferentistas... É unha candidatura que reflicte o Podemos que nos trouxo aquí, o do pobo organizado, a ferramenta de cambio... E tamén levamos na candidatura presenza dos círculos, con persoas eleitas polos propios círculos para ir na lista. - Considera que deste proceso, e despois de todo o acontecido, Podemos Galiza vai saír máis unido? Pois depende, tería que saír máis xusto, mais este tipo de procesos son como son. O que eu agardo é que o resultado reflicta a verdadeira realidade de Podemos Galiza. Que vai ter máis peso? Os militantes organizados ou os inscritos, máis activados en función dos medios de comunicación? - As autonómicas. Por que fórmula aposta 'Un mar de xente'? Será algo que decidan as propias bases, mediante asembleas territoriais explicativas por toda Galiza, posterior consulta telemática e asemblea xeral. Hai que escoitar a militancia, que é a nosa voz. E de aí sairemos quer apostando por ampliar, abrir e mellorar En Marea, que tería que ser algo máis democrático, non unha coligazón; ou quer concorrer como Podemos. - Que status considera que debe ter Podemos Galiza a respeito da organización a nivel estatal? Estatutariamente xa están marcadas as competencias de cada quen. Canto máis fortes e eficientes sexamos aquí, en Podemos Galiza, máis marxe teremos, desde a dirección estatal non van a arbitrar e intervir, algo que tampouco facían agora, agás o caso extremo. Mais non somos dous partidos distintos.
NOS_47923
Algirdas Butkevicius, que ocupa a presidencia en quendas da UE, recoñeceu nunha entrevista "o dereito de autodeterminación dos pobos" e sumouse a Letonia no seu apoio ao soberanismo catalán.
É o segundo Estado membro da Unión Europea en recoñecer o dereito do pobo catalán a se autodeterminar após a multitudinaria Diada que congregou a millóns de persoas nunha cadea humana a prol da independencia. Para o primeiro ministro lituano, que aliás ocupa na actualidade a presidencia da Unión Europea --de carácter rotativo-- asegurou nunha entrevista á ANC que "cada país debe atopar o seu propio camiño" e ten "dereito á autodeterminación". Algirdas Butkevicius amosouse, asemade, "moi contento" co resultado deitado pola Vía Catalana que xuntou a máis dun millón de persoas nos actos da Diada e subliñou que "o camiño cara á independencia de cada país" debe facerse polas "vías legais". O Ministerio de Exteriores chamou á orde ao embaixador letón após o primeiro ministro do país amosar o seu apoio á independencia de Catalunya Para o primeiro ministro de Lituania, é importante que os procesos independentistas teñan en conta "a lei internacional" e lembrou que há de debaterse --no caso catalán-- "dentro do Estado español". Desta maneira, Algirdas Butkevicius, sumouse ás declaracións do primeiro ministro de Letonia quen nos últimos días se posiciou a favor do recoñecemento dun Estado catalán. Esta actitude, valeulle ao embaixador letón no Estado español a chamada do Ministerio de Asuntos Exteriores non conforme coas afirmacións vertidas polo mandatario. Margallo convocou para a vindeira segunda feira unha xuntanza co embaixador de Letonia á fin de amosarlle a súa disconformidade formal coas declaracións de Valdis Dombrovskis. O Estado español rexeita o referendo e di que actuará con "firmeza" Pola súa banda, o executivo de Mariano Rajoy non mudou a súa actitude a respeito do proceso de independencia catalán. No entanto, amosou certas mudanzas ao asegurar que respondería nas vindeiras 48 horas --podería ser esta mesma fin de semana segundo informa La Vanguardia-- á proposta presentada polo Govern da Generalitat na que demanda a convocatoria dun referendo de autodeterminación. A número dous do Goberno español abriu a porta a unha negociación do modelo de financiamento mais rexeitou o referendo de auto-determinación En comparecencia de imprensa após o Consello de Ministr@s Soraya Sáenz de Santamaría --número dous do Goberno español-- foi taxativa ao asegurar que o Estado descarta reformar a Constitución española e o modelo territorial nela recollido. "Non podemos facer outra cousa que cumprir e facer cumprir a Constitución" afirmou a vicepresidenta qen acrecentou "o referendo non entra no marco" deseñado pola Carta Magna. No entanto, abriu a porta a unha posíbel negociación do modelo de financiamento catalán condicionando así un posíbel diálogo coa Generalitat ao marco económico. Iso si, puntualizou que Catalunya recibiría o mesmo tratamento nunha negociación 'multi-lateral' que calquera outro territorio. Artur Mas demandou aos grupos parlamentares un posicionamento "unitario" e "firme" perante a negativa española Para calmar os ánimos entre os sectores máis radicais do Partido Popular, Sáenz de Santamaría dixo que actuarían con "serenidade" e "firmeza" perante o reto lanzado polo pobo catalán o pasado 11 de setembro e que en ningún caso lle recoñecerían o dereito de autodeterminación. Neste senso, o president catalán, Artur Mas, demandou ás forzas políticas do país unha posición "unitaria e consensuada" fronte ao "non" de Madrid. Mas demandará aos grupos parlamentares unha resposta "firme e serena" que há de corresponderse co clamor popular expresado na Diada. E é que Catalunya continúa avanzando a prol dunha convocatoria electoral para o vindeiro 2014.
NOS_31405
Un total de 7.724. È o número de desafiuzamentos de inmóbeis executados no noso país entre 2008 e 2013, segundo os dados do CGPJ. Só en 2013 houbo 1.241, unha media de sete despexos en Galiza cada dous días.
Perto de 8.000 despexos tiveron lugar en Galiza nos últimos cinco anos. Entre os exercicios 2008 e 2013, ambos inclusive, executáronse 7.724 ordes de desafiuzamento, segundo dados do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ). Unhas cifras do poder xudicial coas que o blog da Cadea Ser 'Diario da Crise' vén de facer un mapa con dados por provincias. No que atinxe a eses territorios, en Galiza son A Coruña e Pontevedra as que nestes anos rexistraron máis procedementos de lanzamento que acabaron co despexo dun inmoble. Na Coruña, 3.172; en Pontevedra, 2.834. Entre 2008 e 2013 na provincia de Lugo houbo 867 desafiuzamentos e na de Ourense, 851. Case catro por día Só en 2013 executáronse en Galiza 1.241 despexos. Unha media de tres desafiuzamentos e medio por día. Ou sexa, sete cada dous días. A nivel de Estado, o 2013 despediuse deixando cifras estarrecedoras: máis de 39.000 despexos. Cómpre aclarar que nestas cifras do poder xudicial non se discrimina, como indica o blog, por tipos de inmoble, polo que nelas inclúese vivenda habitual, segunda residencia, locais, garaxes... A finais de marzo plataformas contra os desafiuzamentos e de afectad@s pola hipoteca da Galiza rexistraban no Parlamento galego a primeira ILP contra os despexos que se presenta na Cámara dun territorio a nível estatal. Pedían unha modificación da actual lei galega de vivenda até conseguir "que se paralicen todos os desafiuzamentos".
NOS_4160
Rusia nega unha invasión en Ucraína e pide aos EUA que presenten "probas", mentres a Duma estatal insta Putin a recoñecer a independencia das repúblicas de Donetsk e de Lugansk, no leste de Ucraína.
Os ministros de Defensa dos países integrados na OTAN debaterán esta cuarta feira sobre a situación en Ucraína ante as crecentes tensións con Rusia pola despregadura de tropas na fronteira —malia que o Kremlin confirmou esta terza feira o regreso dos militares que facían manobras en Belarús e que o resto farano o vindeiro domingo—, nun encontro no que estudarán se reforzan a súa presenza no leste de Europa coa creación de novos batallóns de combate. O Consello Atlántico, que contará coa presenza dos ministros ucraíno e xeorxiano no que supón toda unha declaración de intencións da OTAN ante a ameaza dunha hipotética invasión rusa, terá sobre a mesa a futura despregadura de novas forzas no flanco oriental. En concreto, o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, apuntou á posta en marcha de grupos de combate en Romanía e Bulgaria, replicando o modelo destas unidades en Polonia e os países bálticos. No marco da resposta da OTAN a Moscova, na que mobilizou forzas e recursos aéreos e terrestres adicionais nas súas misións de vixilancia nos mares Báltico e Negro, alén dos batallóns enviados, Stoltenberg falou dun "axuste a longo prazo" das forzas militares no leste, para o que o presidente francés, Emmanuel Macron, ofreceuse a liderar un novo grupo de combate en Romanía. Sexa como for, esta decisión está nunha fase inicial e a propia OTAN indicou que non se produciría o envío destas tropas adicionais até a primavera. "Levaría algo de tempo realizar a despregadura e definir o mando e o control de todos os asuntos antes da potencial despregadura en Romanía", matizou, nunha rolda de prensa previa á xuntanza. A reunión dos titulares de Defensa da OTAN é de carácter ordinario, mais preséntase como unha cita importante para comprobar a unidade mostrada pola Alianza Atlántica até o momento ante a "ameaza" que para ela representa a presenza militar rusa ás portas de Ucraína. Nestas semanas a organización militar xogou un papel central para canalizar a crise con Rusia, ao manter reunións con representantes do Kremlin e responder por escrito ás demandas de Moscova. A OTAN alertou de que en Ucraína está en xogo a seguridade en Europa e pediu "vontade" ao Kremlin para lograr un "terreo común" co que reducir o risco militar e aumentar o control de armas e a transparencia nas manobras militares. En todo momento, a Alianza Atlántica abriuse a dialogar con Rusia sobre os preceptos da orde de seguridade europeo mais sen aceptar as exixencias rusas para que a OTAN non se expanda cara ao leste de Europa. Stoltenberg reclamou máis unha vez que a política de "porta aberta" da OTAN segue vixente, defendendo que levou "democracia e liberdade" a distintos puntos do continente. Rusia nega unha ivasión Por outra parte, o representante permanente de Rusia ante a Unión Europea (UE), Vladimir Chizhov, rexeitou esta cuarta feira as advertencias estadounidenses sobre un posíbel ataque ruso contra Ucraína —un 'día D' que os países occidentais databan nesta cuarta feira, 16 de febreiro—. "No que atinxe a Rusia, podo asegurarlles que non haberá ningún ataque esta cuarta feira. Tampouco haberá unha escalada na vindeira semana, nin na seguinte, nin no vindeiro mes", dixo, en declaracións ao xornal alemán Die Welt. Aliás, Chizhov emprazou os EUA a presentaren "probas" da hipotética invasión: "Cando fas acusacións, especialmente acusacións moi graves contra Rusia, tamén tes a responsabilidade de presentar probas. Do contrario, é unha calumnia". Recoñecemento das repúblicas de Donetsk e Lugansk Noutra orde, a Duma estatal rusa aprobou esta terza feira un chamamento ao presidente, Vladimir Putin, para que recoñeza a independencia de Donetsk e de Lugansk. A favor da resolución, presentada polo grupo parlamentario comunista, votaron 351 deputados, dos 450 que integran a Duma. Antes da votación, o portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, indicou que "para ninguén é un segredo que a opinión pública rusa reacciona vivamente a todo o que ocorre no Donbás", onde se enfrontan desde 2014 os separatistas prorrusos apoiados por Moscova e o Exército ucraíno. Rusia entregou máis de 700.000 pasaportes a cidadáns destas dúas rexións. A decisión da Duma foi condenada pola UE. O xefe da diplomacia comunitaria, Josep Borrell, indicou que "este recoñecemento sería unha clara violación dos acordos de Minsk", impulsados para pacificar a zona e que tamén Moscova acusa a Kiev de incumprir.
PRAZA_2863
O Consejo General del Trabajo Social, que agrupa os 36 colexios oficiais en España e a 40 mil profesionais, analizou as propostas das cinco principais candidaturas a nivel estatal en materia de servizos sociais.
O Consejo General del Trabajo Social, que agrupa os 36 colexios oficiais de Traballo Social existentes en España e a ao redor de 40 mil profesionais, levou a cabo unha completa análise dos programas electorais das cinco principais candidaturas a nivel estatal (PP, PSOE, Podemos, Ciudadanos e Unidad Popular) en materia de servizos sociais, contrastándoas ademais coas propostas que en xuño presentara publicamente a entidade. Vén de facer pública a súa valoración, na que debulla a idoneidade dos proxectos de cada forza política en cada un dos asuntos tratados. Aínda que con críticas específicas en certos puntos, a valoración global que fai dos programas de PSOE, Podemos e Unidad Popular é maioritariamente positiva. Pola contra, a análise dos programas de PP e Ciudadanos pon ao descuberto máis eivas. Aínda que con críticas específicas en certos puntos, a valoración global que fai dos programas de PSOE, Podemos e Unidad Popular é maioritariamente positiva Dúas das primeir peticións que os colexios oficiais de Traballo Social lle facían aos partidos era que garantisen os dereitos sociais sen "fomentar accións de beneficencia", algo que cumpren as cinco candidaturas, e que destacasen a protección dos servizos sociais como un dos piares do Estado de Benestar. Este segundo punto non figura no programa do Partido Popular e si -con mellores ou peores formulacións- nos das outras catro forzas. En cambio, noutra das propostas: a referida a asegurar un financiamento suficiente para o Plan Concertado de prestacións de servizos sociais en corporacións municipais é Ciudadanos o que suspende, non figurando isto no seu programa e si nos das outras catro candidaturas. Están ausentes dos programas de PP e Ciudadanos as demandas de ratios suficientes de profesionais no Servizos Sociais Tamén están ausentes dos programas de PP e Ciudadanos as demandas de ratios suficientes de profesionais no Servizos Sociais e as solicitadas mencións expresas aos traballadores e traballadoras sociais, si presentes as outras tres forzas. O PP tamén suspende no apartado da necesaria prevalencia do público nos servizos sociais e no seu financiamento, ao non recoller o seu programa esta demanda. En cambio, os cinco partidos prevén a aprobación dunha Lei Marco en Servizos Sociais ou o desenvolvemento dunha lexislación equivalente que regule esta materia. Ciudadanos e PP non levan nos seus programas a derrogación da reforma da Administración Local e tampouco prometen derrogar o RD 20/2012 Os colexios oficiais de Traballo social realizan igualmente outras tres grandes demandas: a derrogación da reforma da Administración Local que "pode propiciar a supresión de gran parte dos servizos sociais"; a derrogación do RD 20/2012 que "aumentou o copagamento das persoas con dependencia, eliminou o pago da cotización á seguridade social das coidadoras familiares ou atrasou a entrada no sistema dos dependentes moderados"; e a "Garantía de ingresos mínimos" para todas as persoas sen recursos. Ciudadanos e PP non levan nos seus programas a derrogación da reforma da Administración Local (si o fan PSOE, Podemos e Unidad Popular). De igual xeito, PP e Ciudadanos tampouco prometen derrogar o RD 20/2012, mentres que PSOE, Podemos e Unidad Popular si o fan, aínda que o informe sinala neste eido algunhas ausencias no programa de Podemos. Finalmente, só PSOE, Podemos e Unidad Popular propoñen a aprobación de rendas mínimas garantidas, mentres que o PP só prevé unha "coordinación" das actuais rendas de inserción e Ciudadanos promove o seu coñecido "complemento salarial" aos traballadores con ingresos reducidos. Só PSOE, Podemos e Unidad Popular propoñen a aprobación de rendas mínimas garantidas En canto aos desafiuzamentos, os colexios oficiais de Traballo Social, demanda dúas grandes medidas: a creación de Oficinas de Intermediación Hipotecaria en toda España, financiadas pola banca e o Estado, e coordinadas cos servizos sociais municipais; e a articulación de apoios ás familias en risco de perder a súa vivenda por impago, de xeito que se eviten os desaloxos. As cinco candidaturas levan nos seus programas algunhas propostas neste senso, máis ambiciosas nos casos de Podemos, Unidad Popular, tamén no do PSOE, e máis limitadas nos de PP e Ciudadanos. O informe detalla tamén incumprimentos menores nas propostas relativas á loita contra a pobreza infantil e a insuficiencia alimentaria en Ciudadanos e Unidad Popular. E destaca a total ausencia de propostas relativas ao acollemento de refuxiados e inmigrantes no programa do Partido Popular. Os colexios de Traballo Social opóñense rotundamente ao contido do TTIP Finalmente, os colexios de Traballo Social, opostos rotundamente ao contido do TTIP ("o TTIP é un tratado que protexe os intereses de grandes empresas e corporacións sobre os dereitos das persoas"), salientan que mentres que PP e Ciudadanos defenden a aprobación deste tratado e o do PSOE non di nada ao respecto, Podemos e Unidad Popular posiciónanse claramente en contra. Descarga aquí as conclusións da análise (.pdf)
PRAZA_1643
El Diario visita, no aniversario da última guerra, a mesma familia do sur de Faixa que perdeu unha vintena dos seus membros tras un bombardeo israelí. O plan de reconstrución da ONU non se executou porque non chegaron os fondos prometidos pola comunidade internacional
Tasam chega coxeando ata o predio onde hai menos dun ano estaba a súa casa. "Gastei moitos cartos para que me operasen ben a perna, pero sigo con moitos problemas" , explica un dos tres irmáns Abu Yami que sobreviviron -xunto a un sobriño- ao bombardeo israelí que o 20 de xullo de 2014 converteu a súa vivenda de tres pisos, situada ao sur da Faixa de Gaza, nunha morea de cascallos e barras de ferralla. Baixo as súas ruínas quedaron sepultados 25 membros da súa familia, entre os que se atopaban a súa muller e as súas tres fillas, a máis pequena de tan só un ano de idade. "Eu non penso no mañá. E o hoxe? O día a día non se aguanta" , dicíalle Tassam a eldiario.es poucos meses despois da traxedia. Hoxe, co enorme buraco aberto no chan pola explosión cuberto de area e cos seus familiares desaparecidos, o aspecto deste palestino, agora desempregado -a taxa de paro en Gaza ascende ao 44%, segundo datos da Oficina para a Coordinación de Asuntos Humanitarios da ONU (OCHA)-, apenas cambiou. Quedaron sepultados 25 membros da súa familia, entre os que se atopaban a súa muller e as súas tres fillas, a máis pequena de tan só un ano de idade O seu estado civil, si. Tassam volveu casar e a súa esposa actual está embarazada de cinco meses. "Perdino todo, a todos os meus. Agora tento construír outra familia" , explica mentres ensina as fotos que ten no móbil das tres nenas que perdeu aquel fatídico día cando un mísil israelí sorprendeu os seus na casa facendo o iftar (a comida vespertina coa que os musulmáns rompen o xaxún durante o mes de Ramadán). Tasam tamén tentou reconstruír a súa perna, rota entón por varias partes. Xa non ten a escaiola que lle cubría a extremidade desde a coxa ata o nocello, pero quéixase de fortes dores nos tendóns. "Os médicos que me operaron dinme que necesito un traumatólogo especializado, pero en Gaza non o hai. Eu non podo saír de aquí polo bloqueo (imposto por Israel desde que en 2007 Hamás se fixo co poder na Faixa de Gaza), así que só me queda esperar a que algún día veña un cirurxián experto e me opere" , explica este gazatí mentres levanta o baixo do pantalón e mostra o óso torcido do seu nocello. "Que culpa tiña a miña filla acabada de nacer, era ela tamén do brazo armado de Hamás?" , pregúntase Tras a morte dunha vintena de membros deste clan gazatí, fontes do exército israelí argumentaron que na vivenda se atopaba un miliciano de Hamás, pero os Abu Yami, que o desmenten, pregúntanse por que tivo que morrer case toda a familia. "Eu perdín todos os meus fillos menos a un. Tamén a nosa nai, o pequeno dos meus tres irmáns e a todos os seus" , explica o irmán maior de Tasam, de nome Tawfiq. "Que culpa tiña a miña filla acabada de nacer, era ela tamén do brazo armado de Hamás?" , pregúntase. Segundos despois este palestino agacha a cabeza e queda ensimesmado. Milagrosamente el, xunto a outro irmán que se atopaba rezando na mesquita no momento do bombardeo, non resultou ferido, pero o trauma psicolóxico que padece tras o ocorrido deixou unha ferida máis profunda que a que calquera secuela física puidese xerar. A súa mirada entristece máis do que poida describir calquera adxectivo. "Preocúpanos moito a situación psicosocial e de trauma da xente en Gaza despois da guerra", asegura María José Torres, directora adxunta da oficina da OCHA en Xerusalén. Dos 2.200 mortos que deixou o conflito en Gaza, máis de 1.400 deles eran civís (entre os que había máis de 500 nenos). " Ademais, outras 1.000 persoas van vivir con discapacidades o resto da súa vida", explica Torres. Aínda non comezou a reconstrución das 18.000 vivendas que foron totalmente destruídas ou severamente danadas Para esta funcionaria da ONU, os traumas que sofren adultos e menores en Gaza víronse agravados polo feito de que aínda non comezase a reconstrución das 18.000 vivendas que foron totalmente destruídas ou severamente danadas durante os 51 días de conflito do pasado ano -outras 120.000 resultaron parcialmente destruídas-, segundo datos da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados (UNRWA). Unha reconstrución que non chega "Seguimos igual que antes. Dixéronnos que nos ían a reconstruír a casa, pero estamos outra vez en Ramadán e aquí non vimos nada" "Seguimos igual que antes. Dixéronnos que nos ían a reconstruír a casa, pero estamos outra vez en Ramadán e aquí non vimos nada" , asegura Tasam, quen reside de forma temporal na vivenda duns parentes, situada á beira do predio onde se atopaba o seu antigo fogar. "O resto dos irmáns tiveron que ir de alugueiro. Estamos todos separados" , engade Tawfiq, quen bota de menos os tempos nos que toda a familia vivín a baixo o mesmo teito, un costume especialmente enraizado nos clans familiares do sur da Faixa de Gaza. "Moi recentemente anunciouse a posibilidade de que cheguen materiais de construción a Gaza pero isto levará aínda un tempo. Falamos de que a un ano da guerra, a reconstrución con erre maiúscula non empezou" , comenta María José Torres. Segundo esta española, ata agora só se realizaron labores de rehabilitación, como as executadas na estrada que percorre a Faixa de norte a sur ou nalgunhas infraestruturas sociais realizadas pola UNRWA. "Ven o risco de haxa outra guerra que arrase co reconstruído" "Ven o risco de que se produza unha nova guerra que arrase con todo o reconstruído" Entre os motivos sinalados pola directora adxunta da OCHA atópase o feito de que non chegaron os fondos prometidos pola comunidade internacional -eses 5.000 millóns de doazóns solicitadas polas autoridades palestinas na Conferencia do Cairo-. "Ven o risco de que se produza unha nova guerra que arrase con todo o reconstruído", explica. Ademais, segundo esta funcionaria da ONU, outra das razóns é a falta de diálogo entre os gobernos palestinos de Cisxordania ou Gaza, inmersos nunha pequena liorta interna, e as restricións impostas por Israel para a entrada de materiais -con proxectos xa aprobados e diñeiro dispoñible- por temor a que estes poidan ser resultar "de dobre uso" (coma no caso do cemento, o formigón ou o ferro). É dicir, que Hamás poida desvialos para a reconstrución de túneles ou a fabricación de foguetes que despois poida utilizar nunha nova guerra con Israel. Poucas esperanzas de cambio teñen á vista os 100.000 gazatíes que, como os Abu Yami, aínda hoxe seguen sendo desprazados internos. Sen reconstrución, nun enclave costeiro onde viven case dous millóns de persoas, co 80% da poboación dependente da axuda humanitaria (segundo a UNRWA), con cortes diarios de luz de entre 16 e 18 horas ou co 90% da auga non apta para o consumo humano. Un territorio que volve estar "ao borde do colapso", tal e como denuncia o último informe do Banco Mundial. Un territorio que volve estar "ao borde do colapso", denuncia o último informe do Banco Mundial Só de noite, cando os habitantes de Gaza rompen o xaxún, familias coma os Abu Yami esquecen durante un intre o seu drama diario. Ás veces fan o iftar xunto ás contaminadas praias da Faixa. Mesmo os seus veciños máis podentes desprázanse ata a que é a nova atracción en Gaza: comer peixe nos moi iluminados postos do porto ou Al Mina. As súas luces de cores alagan esta zona da cidade, impedíndolles aos seus comensais ver as ruínas, os cascallos ou a ferralla que xacen acumulados a escasos quilómetros á espera de que poidan ser reutilizados nunha futura rehabilitación. Esquécense só por unhas horas. Un respiro, polo menos ata o próximo amencer.
PRAZA_20315
O presidente da Xunta entrega en Baiona as 131 bandeiras outorgadas pola asociación ADEAC a concellos galegos. ADEGA lembra que a UE retirou o apoio ao Programa Bandeira Azul, no que ve "unha marca publicitaria"
Ao inicio de cada verán concellos de todas as cores políticas acuden á chamada da Xunta que, nun acto institucional organizado nalgún municipio costeiro -nos últimos anos en Porto do Son, Foz, Arteixo, Vigo e Ribeira- entrega as bandeiras azuis que locerán praias e portos deportivos. Neste 2017 o escenario do evento foi Baiona e novamente os gobernos locais recibiron as bandeiras de mans do presidente da Xunta, aínda que os distintivos non son outorgados polo Goberno galego nin por ningún outro e carecen do aval da Unión Europea dende 1999, cando deixou de apoialas polo seu escaso "rigor". Un ano máis o Executivo volveu ligar por boca de Alberto Núñez Feijóo estas bandeiras co "respecto" e conservación do medio ambiente; mentres, a entidade que as concede admite que poden chegar a prexudicalo. No transcurso da entrega das bandeiras -113 para as praias, 10 menos que en 2016, e 18 para portos- e acompañado da conselleira de Medio Ambiente o xefe do Goberno galego presentounas como "a mellor porta de entrada para descubrir a riqueza natural de Galicia" por seren, asegura, "o resultado dunha aposta colectiva pola conservación do litoral". Dispoñer de bandeira azul é, segundo o presidente, sinónimo de "litoral rico en flora e fauna terrestre e mariñeira", así como de seguridade e de dotacións de "servizos de salvamento, socorrismo e primeiros auxilios" e mais de accesos adecuados para persoas con discapacidade. "Significan -abondou Feijóo- que estamos a cumprir o principal desafío que nos presenta o litoral: conxugar o seu aproveitamento humano co respecto ao medio ambiente". Feijóo: "Son o resultado dunha aposta pola conservación do litoral; significan que estamos a conxugar o aproveitamento humano co respecto ao medio ambiente" As valoracións do presidente contrastan non só coas posicións críticas de colectivos ecoloxistas sobre estas bandeiras, senón mesmo coas cautelas da Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), filial española da danesa Fundación para a Educación Ambiental, que xestiona os distintivos. Nos seus materiais promocionais ADEAC presenta o seu Programa Bandeira Azul como unha ferramenta para o "desenvolvemento sostible das zonas litorais" pero, como informou Praza.gal, na guía que deben seguir os concellos interesados en obter o distintivo xorden diversas cautelas que mesmo levan a organización a recomendar non pedir a bandeira para espazos naturais privilexiados. A asociación que outorga as bandeiras admite que poden ser un risco para fauna e flora e recomenda non pedilas para espazos naturais "fráxiles" "Algunhas áreas dentro dunha praia Bandeira Azul ou lindeira con esta -di a guía para este 2017- poden resultar especialmente sensibles dende o punto de vista ambiental e precisar técnicas de xestión especiais", como as requiridas, por exemplo, cando a praia se atopa preto dunha área dunar. "Ocasionalmente -continúa- pode suceder que a fraxilidade de certos espazos naturais non aconselle a concesión deste tipo de galardón", admite, xa que adoita traer consigo "a afluencia dun maior número de visitantes" que "pode poñer en perigo a fauna e a flora". E ademais, agrega, para obter a bandiera azul cómpre ter "instalacións e servizos" como aparcadoiros ou sanitarios que poden prexudicar a natureza. ADEGA lembra que a UE retirou o apoio ao Programa Bandeira Azul, no que ve "unha marca publicitaria" Estas cautelas eran lembradas o pasado maio, cando ADEAC condedeu as bandeiras deste ano, dende a asociación ecoloxista ADEGA. "As praias non son parques urbanos -evidenciaba- e a boa conservación dos ecosistemas naturais pouco ten a ver coa calidade sanitaria e os servizos". "A bandeira azul -explicaba- está lonxe de ser sinónimo de litoral ben conservado", xa que a organización que as concede "monitoriza principalmente a calidade das augas e os servizos da praia e só durante a tempada de baño". Durante o resto do ano "cuestións tan importantes como o estado das dunas e a orla prelitoral, a calidade paisaxística e a ausencia de impactos sobre os hábitats e especies costeiras non son considerados". A xuízo de ADEGA, a bandeira azul é pouco máis ca "unha marca publicitaria" na que "cómpre prestar atención á letra pequena" como, lembra, a propia UE admitiu a principios de século. Daquela, a Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea retirou o financiamento ao programa e quen na altura era o seu voceiro, Saturnino Muñoz, advertiu en declaracións a El País que dende ese momento "ninguén poderá utilizar a etiqueta da Comisión para poñer bandeiriñas no verán" sen que existise "control periódico" sobre as praias e, nalgúns casos, "facendo a vista gorda" na conservación do medio ambiente.
NOS_52052
A situación de dó é moi dura para as familias das persoas que morren durante a epidemia de coronavirus. Profesionais da psicoloxía concordan en que a dimensión emocional do ser humano é fundamental para o seu benestar e defenden que hai alternativas para se despedir dos seres queridos en momentos tan difíciles.
O confinamento impide non só acompañar as persoas enfermas por coronavirus ingresadas nun hospital, tamén ristrinxe a asistencia a velorios, funerais e actos públicos de despedida dos seres queridos falecidos estes días, a causa da COVID-19 ou por outros motivos. Debido ao decorrer dos rituais de pasamento, nas últimas horas o Ministerio de Sanidade tomou a decisión de prohibir todos os velorios, tanto os que puidesen ter lugar en centros públicos coma privados, así como limitar outras cerimonias fúnebres mentres dure o estado de alarma. Rituais de convelecencia Nestas circunstancias o proceso de dó é moi duro para as familias das persoas que morren durante esta crise sanitaria. Moitas non están onde queren nin con quixeran estar, máis existen alternativas e guías de carácter social e emocional que poden axudar a sobrelevar mellor unha situación, xa de complicada de por sí. "Os procesos de dó e acompañamento dificúltanse nestas circunstancias porque non se pode facer unha ritualización da convalecencia", explica Víctor Manuel Torrado Oubiña, membro da xunta de goberno do Colexio de Psicoloxía da Galiza. "Cando temos ser querido enfermo, visítalo, levámoslle flores, tratamos de atender as súas necesidades, achegámonos para darlle ánimo, conversa". "Os rituais de despedida tradicionais asociados á morte desaparecen neste contexto". Mais as exixencias sanitarias que impón o coronavirus son moi restritivas e nada disto podemos facer cunha paciente de COVID-19. "Neste caso hai que reinventarse e tratar de manter o contacto con esa persoa na medida do posíbel". A través do teléfono ou de calquera outro protocolo ou dispositivo electrónico que estabeleza o centro hospitalario. "Se a situación emperora e esa doente ten que ir á UCI, a situación vólvese máis delicada. Os rituais de despedida tradicionais asociados á morte desaparecen neste contexto, mais sería bo celebrar algunha cerimonia na medida do posíbel, respectando as recomendacións de asistencia e de seguridade", sinala Torrado Oubiña. Proceso de dó Así, tan importante como o propio ritual é o proceso de comunicación da morte. É importante informar á familia, ás amizades, ás persoas queridas, para indicarlles que neste momento non van poder asistir ao enterro nin despedirse como quixeran", mais nada disto ten por que impedir un proceso de dó. "Prefiro resaltar as capacidades do ser humano para adaptarse ás adversidades e elaborar un dó axeitado ás súas necesidades emocionais". Pode ser difícil inicialo, máis cadaquén deberá buscar as súas alternativas, recorrendo ao simbolismo, na intimidade ou na compaña telemática doutras persoas, sen perder o contacto con familiares e seres queridos, falando, se o necesita ou pedindo axuda profesional. "Eu son partidario de desmitificar o proceso de dó. A situación desencadeada polo coronavirus entra dificultades máis non supón un impedimento para superar esta fase inevitábel. E disto sabe moito a xente do mar da Galiza", recalca o psicólogo clínico. "Eu prefiro resaltar as capacidades do ser humano para adaptarse ás adversidades e elaborar un dó axeitado ás súas necesidades emocionais e ás súas circunstancias". "Durantes estes días moitas persoas non están onde queren nin con quen quixeran estar". E sinala, ademais, a necesidade de "desprazar cara adiante" un ritual de despedida que contente o seu desexo. "A despedida pódese adiar e compartir con quen queiramos cando todo se normalice", apunta. "Non debemos considerar que nunca vai poder ser como nos gustaría". Crianzas Ademais, profesionais da psicoloxía advirten a necesidade de respectar os tempos e as emocións de cada persoa, as diferentes formas de sentir e de expresar. Animan a controlar o día, mantendo certas rutinas, e acompañar as crianzas en todo este proceso, sen mentiras, sen eufemismos, de forma sosegada e inmediata, nunha linguaxe sinxela que as anime a expresar os seus sentimentos ou emocións. Resolvendo calquera dúbida que teñan, promovendo os bos recordos e reforzando, se é preciso, noticias ou mensaxes positivas relacionadas co coronavirus.
NOS_6898
O presidente celeste presenta esta oferta e di que garante a continuidade da equipa "dez anos máis". De non se aceptar abre a porta a facer "o mellor para dar solidez económica ao Celta", engadindo que se iso implica "vendelo, vendereino".
Carlos Mouriño compareceu para falar do futuro do Celta após mes e medio de silencio e de continuas noticias sobre a venda do clube vigués a un holding chinés. Mouriño aproveitou a comparecencia para poñer sobre a mesa unha última proposta, afirmando que "me libera de toda responsabilidade se non se acepta": que o Celta compre o estadio de Balaídos, que o estadio municipal se lle venda ao club celtista. Iso, dixo, garante 10 anos máis de proxecto e dá base para unha "solvencia econñomica" que Mouriño non ve na situación actual. Puxo tres exemplos como o do Real Madrid, o Sevilla ou Valencia, de equipas que, con gobernos de partidos diferentes gobernando nesas cidades, apostaron por ese tipo de operacións cons clubes. "Que as zonas libres do estadio nolas deixen explotar a nós, e aí o Celta podería facer área comercial, de lecer nocturno... todo sempre a nome do Celta". Foi o as na manga de Mouriño nunha comparecencia onde todos agardaban que anunciase a venda do Celta ao holding chinés. O presidente falou dunha mellora deportiva do Celta fora nestes anos máis que notábel, mais incidiu en que iso ten que ir da man coa "solvencia económica". E nese apartado, o Celta non tiña futuro garantido polo que iso, a solvencia económica, era o principal. "Preocúpame o que é mellor para o Celta e se o mellor para darlle a solvencia é vendelo, vendereino", afirmou. Así pois, veu dicir Mouriño, ou se lle garante ao Celta que pode mercar Balaídos ou vén venderá o Celta ao mellor postor. E como el propio afirmou na súa comparecencia, ese comprador non ten por que ser chinés. "Onte mesmo (pola segunda feira) recibimos oferta dun gupo de Qatar". Ofertas pois, e segundo as súas palabras, non faltan Mouriño comezou a súa intervención con agradecementos a Núñez Feijóo e Abel Caballero polo seu apoio nestas semanas "convulsas". Dirixiu o punto de mira á portavoz do PP en Vigo, a ex-conselleira Elena Muñoz, contra a que cargou en reiteradas ocasións por arrouparse nun discurso de "viguismo" para cargar contra el pola venda do Celta. "Os que deixaron este clube en bancarrota eran vigueses, era capital galego", dixo Mouriño, nunha frase que semellaba augurar a seguir o anuncio de que se vendía o Celta. Mais ese anuncio non chegou. O que si veu foi unhas declaracións sobre que non estaba garantida a continuidade do Celta por esa falla de solvencia económica. ""A un fillo recomendaríalle que fose presidente do Celta. A un neto, non: non vexo futuro", pronunciou o presidente. Para que lle recomende eso ao neto, enténdese, deberíase de vender Balaídos ao Celta. En garantía, o Celta deixaría as accións, apontou, desbotando que quixese unha operación de recalificación.
NOS_2517
Tanto o BNG como o PSdeG reprochan ao Goberno galego a "pouca colaboración" que mantén coa Valedoría do Pobo, e alertan do "número importante" de recordatorios de colaboración -un total de 36- emitidas pola institución á Xunta en 2019.
A valedora do pobo, María Dolores Fernández Galiño, compareceu esta terza feira, 6 de outubro, no Parlamento para presentar a Memoria correspondente ao ano 2019. As formacións da oposición (BNG e PSdeG) reprocharon ao Goberno galego a "pouca colaboración" que mantén coa institución. Daniel Castro, deputado do BNG, alertou contra o "número importante" de recordatorios de colaboración -un total de 36- emitidas pola Valedoría á Administración galega ao longo do ano. Por iso mesmo, o parlamentario nacionalista instou Galiño a "exixir un maior grao de responsabilidade" ás institucións galegas. "A algunhas Consellarías hai que insistirlles ante os requirimentos", censurou na mesma liña a socialista Isaura Abelairas. O informe da Valedoría reflicte que o número de queixas tramitadas pola institución descendeu case 70% ao cursárense 6.250, en comparación ás 20.807 xestionadas en 2018. Por áreas, destaca o aumento das presentadas ante accións do departamento de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, que aglutinaron (29,63%) dos 5.270 expendientes que afectan a Administración galega. Política Social é a consellaría con máis queixas, con 1.598 (30,33%). Galiño expuxo o traballo realizado en 2019, remarcando o decálogo que puxo en marcha ao acceder ao cargo e que se enmarca na "promoción e defensa dos dereitos das persoas" en diferentes ámbitos. En materia de dereitos lingüísticos, foron 48 as queixas recibidas neste sentido, das que 24 foron a instancia da Mesa pola Normalización Lingüística e do Observatorio de Dereitos Lingüísticos. O PP solicitou á valedora que realice un "informe extraordinario" sobre as "okupacións ilegais de vivenda". Galiño foi designada valedora a mediados do pasado ano, após a dimisión de Milagros Otero, catro meses despois de que o Tribunal Supremo desestimase o seu recurso contra a condena pola designación na Valedoría de María Puy.
QUEPASA_197
A actividade, organizada polo Concello de Zas, terá lugar este mércores, 14 de agosto, entre as 10:00 a 14:00 horas
As actividades estivais promovidas polo Concello de Zas continúan neste mes de agosto. Despois dunha intensa Semana Cultural repleta de eventos para todos os públicos, retómase a programación de verán deseñada polo Departamento de Cultura do Concello de Zas que volve con moitas datas destinadas especialmente aos máis novos da casa. Unha destas citas terá como escenario un dos espazos máis emblemáticos do noso municipio: As Torres do Allo, cunha actividade que repetimos pola boa acollida que tivo o ano pasado e que bautizamos entón co nome "Un día nas Torres Allo". Será unha xornada de lecer dirixida a nenos e nenas de 4 a 12 anos que terá lugar este mércores 14 de agosto, entre as 10:00 e as 14:00 horas. A actividade é de balde e baixo previa inscrición. Así, a través de diferentes obradoiros, unha visita guiada e un xogo de pistas os participantes coñecerán de primeira man a historia do pazo máis antigo de Galicia e de como era a vida nestes lugares.
PRAZA_12197
Numerosas cidades, entre elas Vigo e A Coruña, acollen manifestacións e asembleas contra o chamado "novo corralito" financeiro. Os afectados esixen solucións á CNMV e ao Banco de España. Galería no interior.
Son case 100.000 as persoas afectadas en Galicia, cun patrimonio "secuestrado" de 1.200 millóns de euros, segundo as estimacións de Adicae. Centos de persoas acudiron este mediodía á convocatoria desta organización para reclamar unha solución urxente contra o que xa se coñece como "corralito financeiro". As marchas tiveron lugar en Vigo e A Coruña, pero sucedéronse tamén por toda a xeografía española. As accións de protesta, que tiveron lugar en doce cidades españolas, convertéronse á vez nun clamor contra o "abuso bancario", exemplificado en produto como as preferentes, a débeda subordinada, as cláusulas de solo ou os embargos hipotecarios. "Os reiterados escándalos financeiros que vimos padecendo desde hai máis de 15 anos son un síntoma do funcionamento do mercado financeiro", apuntou Adicae no seu manifesto. Casos como as axencias de valores AVA ou Gescartera; o "descontrol de casos como Forum e Afinsa por parte das autoridades"; a comercialización "tolerada" de produtos de Lehman Brothers por parte de bancos e caixas de aforros; as "manobras do Santander co seu fondo inmobiliario Banif, e un longo etcétera son claros expoñentes desta realidade", engadiu a asociación. "A última das grandes fraudes" é a venda de produtos como participacións preferentes, bonos e obrigacións subordinadas "A última das grandes fraudes" é a venda de produtos como participacións preferentes, bonos e obrigacións subordinadas, cotas participativas e "unha longa lista de perniciosos produtos de aforro que foron colocados a máis dun millón de cidadáns dentro dun xigantesco plan bancario orquestrado para salvar as súas contas á costa de defraudar o aforro dos traballadores e consumidores, machucados xa pola crise e o paro", arremete con dureza Adicae. Creouse, así, o xa afamado "corralito" no que se bloquearon "os sufridos aforros de máis dun millón de persoas traballadoras obtidos con gran esforzo e sacrificios". A marcha en Galicia En Galicia houbo manifestacións en Vigo e A Coruña, ambas as dúas moi concorridas. Os manifestantes arremeteron non só contra o Banco de España e a CNMV senón que moitos deles, fundamentalmente xente maior, culpaban directamente a Caixanova e Caixa Galicia (por separado). No caso da entidade que tiña sede na cidade herculina, esta comezou a vender as participacións preferentes en 2003, moito antes da fusión. Entre as consignas que máis se berraron: "Coas preferentes, enganaron a xente"; "Co diñeiro dos currantes, viven os mangantes" ou o socorrido "Mans para arriba, isto é un atraco". Había papeis onde se podía ler "Caixa Galicia, estafadora" e "Castellano, queremos solución", en referencia ao actual presidente de NovaGalicia Banco. Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG, foi unha das personalidades políticas que asistiron aos actos de protesta de hoxe, concretamente á marcha de Vigo. Esixiulle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, unha acción decidida para defender aos 100.000 afectados que existen en Galicia só no caso das preferentes. Vázquez estivo acompañado do líder do BNG en Vigo, Santi Domínguez Olveira, e da deputada Carme Adán.
NOS_43286
Xosé Sánchez Bugallo puxo en dúbida os criterios da Xunta para tomar esta decisión.
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, cuestionou esta segunda feira os criterios fixados pola Xunta para decidir apoiar a candidatura da Coruña como futura sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia). En declaracións remitidas aos medios tras coñecerse a resolución do Nodo GalicIA (Nodo Galego de Intelixencia Artificial) -órgano encargado de escoller a mellor candidatura-, Bugallo recalcou que este órgano está formado "en dúas terceiras partes" por integrantes do Goberno galego, mentres que o outro terzo eran os reitores das tres universidades públicas. A Xunta decántase pola Coruña como candidata a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial "Non temos coñecemento aínda de cales foron os criterios seguidos. O que si podo manifestar é que con todos os datos que manexamos e todas as estimacións que fixemos, saía con absoluta claridade que a opción gañadora debería ser Santiago", subliñou o rexedor socialista. Na súa intervención, Bugallo tamén abriu a porta a unha posíbel reclamación, ao dar a entender que o Concello prevé formular alegacións á decisión. Pode a Galiza acoller a futura sede da Axencia Española de Intelixencia Artificial? Ademais, Bugallo criticou que a Xunta estabelecese máis de 200 indicadores propios que eran "distintos" aos criterios deseñados polo Goberno español para levar a cabo o proceso de selección final. "Non tería sentido gañar a carreira na Galiza e logo perdela no Estado español", advertiu. Candidatura por libre A decisión comunicada esta segunda feira polo Executivo de Alfonso Rueda só implica que a candidatura da Coruña será a que reciba todo o apoio da Xunta da Galiza. Porén, isto non quere dicir que outras cidades -ademais de Santiago, Ourense tamén presentara as súas credenciais para acoller a sede da Aesia- poidan presentar a súa candidatura por libre, xa que o Goberno estatal tamén acepta que sexan as corporacións municipais as que se postulen formalmente. A USC analizará os riscos e as potencialidades da Intelixencia Artificial Neste sentido o Goberno local de Santiago ten previsto reunirse o vindeiro 31 de outubro con axentes sociais e representantes dos diferentes grupos políticos do Consistorio compostelán, co obxectivo de avaliar a resolución da Xunta e adoptar a decisión que consideren "oportuna".
NOS_41665
Nunha entrevista que está a conmocionar a opinión pública do seu país, o ditador Jorge Videla vén de recoñecer a complicidade da Igrexa católica nas desaparicións da Arxentina.
Na entrevista concededida e aceptada por carta manuscrita a unha publicación de Córdoba, Jorge Videla asegurou que altos representantes da Igrexa católica participaran na xestión da represión e mesmo se ofreceran para comunicar ás familias os asasinatos dos seus co fin de conseguir que non o fixesen público. Cita Videla na súa entrevista altos representantes da Conferencia episcopal, nomeadamente o ex nuncio apostólico Pío Laghi, o expresidente da Igrexa católica da Arxentina Raúl Primatesta e outros bispos que, segundo di "ofreceron os seus bos oficios" para a xestión da información da represión, en especial, buscando calar as familias e rematar coa súa busca. A sospeita sobre a intensa participación da Igrexa na ditadura arxentina paira desde os propios inicios mais foise incrementando nos últimos tempos, até que o propio episcopado se viu na obriga de recoñecer hai dous meses a autenticidade duns documentos secretos que confirmaban o seu coñecemento dos crimes dos militares arxentinos. O xornalista Adolfo Ruiz publica na revista cordobesa El Sur a entrevista realizada con Videla no cárcere en 2010, máis o ditador puxo como condición que só se publicase cando abandonase a provincia. "Con eles tivemos moitas conversas. Co nuncio apostólico Pío Laghi. Planteóuselle como unha situación moi dolorosa e asesoráronnos sobre a maneira de manexala. Nalgúns casos, a Igrexa ofreceu os seus bos oficios e fronte a familiares que se tiña a certeza de que non farían un uso político da información, díxoselles que non buscasen máis o seu fillo porque estaba morto", explica Videla. A recente sentenza que acusa os altos dirixentes da ditadura do roubo de bebés, non implica a Igrexa e son xa varias as iniciativas que demandan que se recoñeza xudicialmente a súa participación na represión.
NOS_41163
Murguía de Xosé Ramón Barreiro foi galardoado co premio de Investigación e Transmuta de Xabier Cordal como a mellor Creación literaria deste 2013.
A trixésimo quinta edición dos Premios da Crítica vén de dar a coñecer os proxectos premiados nun certame desenvolvido en Vigo baixo o verso rosaliano "auga lima en fresca fonte". Os xurados de cada sección fallou no decurso dun xantar desenvolvido no Hotel Os Escudos que contou coa presenza do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, o presidente da RAG, Alonso Montero; Miguel Santalices, vice-presidente do Parlamento ou os líderes de PSdeG e BNG, José Ramón Gómez Besteiro e Xavier Vence. 'Murguía' de XoséRamón Barreiro recibiu o Premio á Investigación pola súa combinación entre o rigor metodolóxico e o atractivo narrativo O encargado de dar comezo ao acto --que foi conducido por Inmaculada López-- foi o presidente da Fundación Premios da Crítica de Galiza, Bieito Ledo, quen lembrou a figura de Rosalía de Castro, cuxa obra Cantares Gallegos cumpre este ano o trixésimo sexto aniversario da súa publicación e tamén de Roberto Vidal Bolaño, autor ao que se lle dedicaron as Letras Galegas neste 2013. Entre os galardoados atópanse o Culturgal, recoñecido co Premio da Crítica á mellor iniciativa cultural. Neste senso, @s integrantes do xurado salientaron a súa contribución á "profesionalización das industrias culturais" e o seu labor no "empoderamento cultural da sociedade civil" malia "a redución de apoio institucional". Transmuta de Xabier Cordal, Premio da Crítica á creación literaria Xunto a el, o Premio da Crítica á Creación literaria recaeu en Transmuta de Xabier Cordal unha obra que "anoa", asegurou o xurado, "a intimidade e o sentido comunitario" nun texto que dá voz, afirmaron, "á vida núa" que "resiste sendo pura existencia". Tamén así, o ensaio Murguía de Xosé Ramón Barreiro foi distinguido como a mellor obra de Investigación polo seu "rigor metodoloxico" e a capacidade do seu autor para combinar "o traballo de investigación" co "atractivo da dimensión narrativa". No eido das Artes plástica, Xulio Gil, foi galardoado por unanimidade como a mellor obra pola "calidade e orixinalidade" das súas fotografías após 40 anos de traxectoria. Así mesmo, a compañía Voadora, recibiu o Premio da Crítica ás Artes escénicas e audiovisuais pola súa "linguaxe escénica", salientaron @s integrantes do xurado. A musicalidade dos seus espectáculos como Waltz e Tokyo 3 que aliás, aseguraron, "procuran outros públicos" e "novas formas de produción". A listaxe completa de galardoad@s nesta 35ª edición dos Premios da Crítica, foron:"Transmuta" de Xabier Cordal, Premio de Creación Literaria"Murguía" de Xosé Ramón Barreiro , Premio de Investigación"Taller Atlántico Contemporáneo", Premio de Música"Culturgal", Premio de Iniciativas Culturais"Xulio Gil", Premio de Artes Plásticas e Visuais"Voadora", Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais
NOS_47453
Son talvez os máis famosos personaxes dos libros infantís galegos. Dezasete anos de idade, 1.700.000 exemplares distribuídos, máis de 550 títulos, Os Bolechas -creados por Pepe Carreiro- entran agora en contacto coa autora homenaxeada nas Letras Galegas, María Victoria Moreno. E fano en papel e en vídeo.
O título encádrase dentro da serie As miñas primeiras Letras Galegas. Baseáse no primeiro libro de Moreno, Mar adiante (1973), que relata a historia dunha escola barco. "A aventura dos Bolechas enriquécese con textos da obra orixinal, de xeito que se acheguen ao estilo da autora, do que tamén se ofrece unha pequena biografía", di a nota de prensa remitida pola Real Academia Galega, onde se presentou o proxecto. A maiores, o volume coñece unha versión audiovisual. "Trátase dunha serie de monicreques cun formato similar á que vén emitindo a TVG desde hai máis de seis anos", explica a mesma nota, "permite darlle vida ás historias creadas por Pepe Carreiro para os libros". Veráse na canle pública durante a semana das Letras Galegas. No proxecto Letras Galegas dos Bolechas -editado por Edicións Bolanda- colaboran a CRTVG, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e Caixa Rural Galega.
NOS_41482
Denúnciao CIG-Ensino, que acrecenta que Cualtis envía unicamente en castelán os informes médicos, "sen preferencia nin sequera opción para poder recibilos en galego".
Sangenjo, Ginzo de Limia ou La Coruña. Estes topónimos deturpados da toponimia oficial da Galiza figuran no directorio de centros de Cualtis, empresa que se encarga de facer os recoñecementos médicos de todo o persoal da Xunta, segundo denuncian desde CIG-Ensino. A maiores, acrecenta o sindicato, "a empresa envía unicamente en castelán os informes médicos, sen preferencia nin sequera opción para poder recibilos en galego". A central dirixiuse tanto á propia empresa como á Consellaría de Educación para que tomen "con carácter inmediato" as medias necesarias para que os informes médicos estean preferentemente en galego e que sexa eliminados tanto da web como da documentación que recibe o persoal toda a toponimia ilegal. Igualmente demanda que nos futuros pregos de contratación para os recoñecementos médicos de todo o persoal da Xunta figure entre os requisitos o uso preferente do galego en toda a tramitación dos informes médicos que recibimos.
PRAZA_11405
Gonzalo Caballero celebra a "maioría progresista", Feijóo gábase da vitoria do PP pero lamenta a desunión no centrodereita e BNG e En Común xa chaman a derrotar os populares
Case todos gañaron en Galicia, agás Ciudadanos. A esquerda celebra a súa vitoria sobre a dereita e Feijóo o seu triunfo tras a derrota do pasado 28A. Desde o PSdeG, o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, destacou que o partido queda agora "en empate co PP", a unha "diferenza escasa" e cre que o actual presidente da Xunta recibiu "outro xarro de auga fría".Segundo Caballero, a dereita está "no mesmo nivel de apoio" fronte a unha "maioría de votos progresistas". "Se hoxe houbese eleccións, Feijóo non ería posibildades de liderar o futuro deste país", dixo, tras declarar que hai "unha nova Galicia que emerxe con forza, unha maioría social progresista clara".Caballero celebra "a maioría de votos progresistas" en Galicia e Yolanda Díaz chama a "conformar un goberno de esquerda" en España e nun futuro no paísPola súa banda, Yolanda Díaz, deputada de En Común, advirte de que o seu grupo "traballará por e para Galicia" e fixo "un chamado xa para conformar un goberno de esquerda". Ademais, dixo esperar que, tanto "en Galicia como en España", ao PSOE "non se lle ocorra un pacto coa dereita" e animou a un acordo progresista en ambos ámbitos.Desde o BNG, a súa portavoz, chamou xa a "botar a Feijóo e o PP da Xunta" no vindeiro outono nun ambiente de celebración por "recuperar Galiza voz propia". "Facemos que Galiza exista politicamente no Estado e moitos de nós recuperamos o sorriso porque Galiza volve estar con forza no Congreso", dixo.Ademais, Pontón aclarou que o BNG sorrí tamén porque "foi o muro de contención á extrema dereita". "Grazas ao escano non teñen ningún escano e iso é un orgullo porque lles estamos parando os pés".Pontón di que o BNG sorrí por "recuperar Galiza voz propia" e por terlle "parado os pés á ultradereita"Pola súa banda, o presidente do PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a vitoria do seu partido sobre o PSdeG e presumiu de ser a formación con mellores resultados de todas as comunidades autónomas. Ademais, volveu chamar a "unir o voto de centrodereita" e destacou que "180.000 votos de Ciudadanos e Vox non teñen ningún escano en Galicia". "A división volveunos penalizar", dixo quen tamén destacou que "os galegos ratificaron a falta de compromiso dos socialistas con Galicia".
NOS_32676
A embarcación impúxose na XIII edición da regata contra-reloxo de Cabo de Cruz, con 30 segundos de diferencia sobre os segundos, Meira. Mugardos, terceiros.
Cabo petou na regala (Táboa do extremo superior da borda dunha embarcación). Regata de domingo nun dos templos das traiñeiras de Galiza, as augas de Cabo de Cruz, na beira norte da Barbanza. Alí está un dos clubs que está a marcar o momento no remo galego, como ficou patente a temporada pasada coa súa volta pola porta grande á ACT, onde atinxiu a 4ª posición. Vogaba na casa e iso notouse desde o momento de saída, cun Cabo forte e firme durante os case 5.600 metros de regata. O resultado do esforzo: vitoria contundente da traiñeira de Cabo (19' 44'' 73''') na XIII edición da Regata Contra-reloxo, meténdolle 30 segundos de diferencia a Meira, segunda clasificada. Os de Meira compiten este ano na Liga ACT, onde completa o triplete galego con Cabo e Tirán, após vencer na Liga Galega de Traiñeiras-A. O terceiro posto foi para Mugardos, tripulación que se impuxo na última regata de 2014 e na primeira de 2015, amosando que se toma moi a serio o de meter este ano a LGT-A no peto. A cuarta praza conquistouna a traiñeira de Mecos, un gran posto para un barco que demostrou que a LGT-B quédalle 'pequena'. Ares (sempre a máis a medida que se vai chegando o inicio temporada), Cabo de Cruz B (demostrando que podíane star na LGT) e Pobra (cun novo treinador que antes estivo en Tirán e Cabo, entre outros) acabaron quintos, sextos e 7º respectivamente. Os de Vilaxoán, oitavos. Máis de 30 embarcacións vogaron entre as diferentes categorías nesta cita en augas de Cabo de Cruz. Como informa a LGT, entre as traiñeiras femeninas Cabo da Cruz entrou por diante de Pobra. Non foron as únicas mulleres que participaron xa que Samertolameu, Tirán e Mecos montaron barcos mixtos. No que atinxe aos veteranos o primeiro posto foi para Tirán, o segundo para Bueu e o terceiro para Rianxo.
PRAZA_1905
A deputada Paula Prado, que como edil lle cedeu un piso municipal á Red Madre, carga contra o goberno local de Santiago por retirarlles as axudas a colectivos opostos ao dereito ao aborto.
O 31 de outubro de 2012 a Xunta de Goberno Local do Concello de Santiago aprobou que un piso de propiedade municipal pasase a ser utilizado de xeito "gratuíto" por Red Madre, a organización antiabortista promovida polo Foro Español de la Familia. A vivenda, que na etapa de goberno de PSdeG e BNG era empregado como un piso "de emerxencia social", pasou a converterse no Centro Red Madre Santiago, isto é, na sede do colectivo. A pasada semana o novo goberno da capital galega, de Compostela Aberta, decidiu que non manterá o financiamento público a esta organización e, ademais, avanzou que non renovará a cesión do piso, que remata en 2016. Este luns o PP volveu cargar contra a decisión do gabinete de Martiño Noriega a través de quen, na súa etapa de concelleira, impulsou a asignación do piso, a súa vicevoceira parlamentaria, Paula Prado. E fíxoo equiparando estes grupos con Cáritas. No transcurso dunha rolda de prensa para presentar unha iniciativa a prol da "formación en igualdade" do persoal sanitario, educativo e xurídico, Prado foi cuestionada pola decisión do consistorio compostelán, e retrucou con dureza. A xuízo da conservadora, non entregarlle 3.000 euros a Red Madre e outros 3.000 á asociación Centinelas -a través de senllos convenios- supoñen un xeito de proceder "non admisible nunha democracia". "Tamén lle van quitar as axudas a Cáritas?", pregúntase a popular, que, non obstante, obvia que no reparto de axudas é precisamente esta entidade social da Igrexa Católica a que máis fondos percibe neste reparto, cun total de 140.000 euros para financiar dous dos seus programas na cidade, un que atende as necesidades primarias de persoas en risco de exclusión e outro dirixido a mulleres vítimas de explotación sexual. O exalcalde cualificou de "desafiuzamento" que a Red Madre non vaia poder seguir usando como sede un piso de propiedade municipal Esta controvertida equiparación chega poucos días despois de que o voceiro municipal do PP, o exalcalde Agustín Hernández, tamén criticase con dureza a decisión do Concello de Santiago a través dunha polémica comparación. No seu caso, Hernández asegurou que retirar a cesión dun piso público á Red Madre supuña que Noriega pasaba a ser "protagonista" dun "desafiuzamento". Estas afirmacións foron consideradas como un "insulto" por parte de Stop Desafiuzamentos, que nun comunicado lamentou a actitude de Hernández e subliñou que "as vivendas municiapis deben estar ao servizo dos máis pobres", e non de grupos que "agreden o dereito das mulleres a decidiren". O PP blindou por lei as subvencións da Xunta á organización impulsada dende o Foro Español de la Familia Neste contexto, é agora a cúpula autonómica do PP, a través de Prado, quen acusa o Concello santiagués de "retirar axudas a entidades sen ánimo de lucro nas que traballan voluntarios". Segundo a deputada, a retirada dos 3.000 euros supón ir contra quen "axuda persoas en situación crítica que en moitos casos son derivados por profesionais técnicas, as traballadoras sociais". Estes argumentos foran xa empregados polo PP para aprobar en 2009 a lei que blinda as axudas da Xunta para Red Madre e outras entidades afíns. Este texto legal, o primeiro aprobado no Parlamento tras a vitoria de Feijóo, é o que permite, por exemplo, que tan só entre 2012 e 2013 a Red Madre recibise subvencións da Secretaría Xeral de Igualdade por importe de 120.000 euros, a maioría para sufragar gastos de persoal. Desta norma deriva tamén o "protocolo de renuncia de bebés no hospital" aprobado polo Consello da Xunta en 2012 ou a inclusión da entrega en adopción ao carón da información sobre métodos anticonceptivos. Reparto de fondos do Concello de Santiago para convenios con entidades sociais (inclúe os dous suprimidos)
NOS_28416
A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) defende a necesidade de dar amparo e cobertura a todas as profesionais afectadas polo coronavirus.
A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación pide traballar no presente mais sen descoidar a situación de todas as traballadoras que nestes momentos se ven afectadas polo avance do coronavirus. Ademais de trasladarlle a súa solidariedade á sociedade "nestes momentos nos que todos os esforzos por deter o avance do coronavirus son necesarios e imprescindibles", o colectivo profesional advirte de que "cómpre garantir que as repercusións desta pandemia non se prolonguen no tempo nin teñan como resultado un empobrecemento significativo do groso da poboación". "A meirande parte das empresas están a reducir os gastos de tradución e corrección". A través dun comunicado, intérpretes e tradutoras manifestan o seu apoio a "todas as persoas que nestes días garanten a nosa saúde" para incidir, a continuación, na necesidade de "dar amparo e cobertura a todas aquelas profesionais que se están a ver afectadas de xeito moi directo pola epidemia e que, polo de agora, semellan quedar fóra das iniciativas económicas anunciadas polo Goberno estatal". Interpretación A AGPTI pon o acento na súa actividade e prognostica un forte impacto económico para a súa economía "dado que a cancelación de encontros internacionais pode durar ben máis que a situación de alerta e emerxencia na que estamos inmersas". "A maioría de profesionais da interpretación no noso país traballan como autónomas e están nestes momentos en situación de ingresos cero". Sen expectativas, din. A suspensión de eventos comezou antes de que o Goberno anunciase decretos e medidas concretas, e agora, engaden, esténdese de forma paulatina cada vez por máis países. Ademais, "a recuperación dos sectores económicos nos que traballan prevese especialmente lenta". Tradución En canto ao sector da tradución e da corrección, as perspectivas non son mellores. "Tamén se está a ver seriamente afectado por esta crise, igual que outros colectivos de autónomos e autónomas, xa que os nosos servizos non son considerados esenciais. Ante a inestabilidade económica e a falta de previsión, a meirande parte das empresas está a reducir este tipo de gastos", explican. "A AGPTI fai un dobre chamamento, á cidadanía, para que fique na casa, e aos poderes públicos, para que habilite axudas especificas". "É previsíbel que o noso sector sufra importantes cambios nos próximos tempos, coa preocupación de poder ou non acollerse ás axudas por ceses e redución de actividade". Neste sentido, fan un dobre chamamento. O primeiro, a toda a poboación, co fin de rebaixar o rebaixar o pico da crise e contribuír a que a súa duración sexa máis breve. "Animamos a toda a cidadanía a que, coma nós, fique na casa". E o segundo, dirixido aos poderes públicos. Piden poñer en marcha as medidas necesarias para "evitar que se cree unha bolsa de pobreza entre profesionais que axudan a que a Galiza estea presente a nivel internacional, e a que as nosas empresas, sistema médico e investigador, social e cultural poidan establecer relacións cos outras comunidades lingüísticas". Medidas de apoio A AGPTI reclama a intervención da Xunta da Galiza para garantir que o colectivo de intérpretes sexa incluído de forma explícita en calquera medida de apoio a sectores damnificados, "indicando como se acreditará a condición de intérprete, xa que esta profesión carece de epígrafe propia no rexistro de actividades económicas". Solicitan, ademais, que se consideren os danos derivados do período de peche e alerta sanitaria, mais tamén a perda de ingresos posterior. E que se asegure unha reactivación dos congresos e encontros de todo tipo con investimentos específicos neste tipo de actividade dentro da Galiza que garantan a creación de oportunidades laborais.
NOS_50125
Partidos e sindicatos consideran positiva a aprobación do tax lease para o naval galego, mais demandan garantías e mesmo se solicitan compensacións para o sector polas perdas acumuladas nestes 18 meses de veto
Desde a suspensión, hai 18 meses, do tax lease e até agora, que a Comisión europea vén de o aprobar de novo, no sector naval galego perdéronse milleiros de empregos e tivo perdas superiores aos 2.000 millóns de euros. Por iso, aínda que no BNG consideran positivo o paso dado agora por Bruxelas, pídense medidas de compensación para o naval polas perdas e prexuízos causados. Alén disto, a fronte nacionalista avoga porque o tax lease garanta a competencia en condicións igualdade co resto de naval da Unión Europea. Tras "vinte meses de paralización de facto do sector", lembra a eurodeputada nacionalista Ana Miranda, "o BNG confía en que o novo sistema anunciado pola Comisión Europea permita unhas regras iguais para todos e con totais garantías legais". "Esperamos poder coñecer o contido do novo sistema de inmediato para poder asegurar que non hai sorpresas desagradábeis agochadas na letra pequena", salienta Miranda. As centrais sindicais reclaman que se aplique xa Pola súa banda, na CIG reclama a modificación do Imposto de Sociedades para que o novo tax lease poida comezar a se aplicar. Ao mesmo tempo, na central nacionalista fan fincapé na necesidade de que se aclare canto antes a cuestión da retroactividade no caso de que o anterior sistema sexa declarado ilegal e que se garanta o financiamento dos futuros proxectos. Desde CCOO valórase positivamente o paso de aprobar o tax lease, máis lémbrase que só resolve "un terzo do problema", pois hai que agardar que se peche o anterior expediente a estas bonificacións. Pola súa banda, a UGT di que é unha boa nova e solicita que se aplique canto antes.
NOS_42567
Os partidarios de Carles Puigdemont, ex presidente da Generalitat exiliado en Alemaña, toman o control do PDeCat. Así se resolveu a asemblea nacional do partido herdeiro da antiga CiU: Marta Pascal abandona o cargo de coordinadora xeral e asume a presidencia David Bonvehí, ate agora número dous de Pascal.
"É evidente que non pode ser que a coordinadora do PDeCat non teña a confianza do president Carles Puigdemont", expuxo Marta Pascal na tarde do sábado, cando anunciou que abandonaba a coordinación do partido: "Eu non a teño, é evidente, como se viu". No horizonte, a transformación da organización nun novo artefacto político electoral, a Crida Nacional per la República, impulsada por Carles Puigdemont. Segundo informa El Nacional.cat, fontes próximas á ex coordinadora aseguran que esta perda de confianza debeuse ao apoio de Pascal á moción de censura formulada polo PSOE contra o Goberno de Mariano Raxoi. "Esa posición non coincidía coa estratexia do president", sinalan. Ademais, de Bonvehí na presidencia, será a deputada no Congreso Miriam Nogueras a que ocupe a vicepresidencia. A secretaría de organización será posibelmente para Ferran Bel, alcalde de Tortosa e integrante do sector de Marta Pascal. Esquerra, primeira forza A asemblea do PDeCat reúnese na mesma semana en que o Centro de Estudios de Opinión de Catalunya organismo oficial de sondaxes da Generalitat- publicou unha enquisa en que sitúa Esquerra Republicana como a forza máis votada de se celebrar eleccións ao Goberno catalán. Pasaría aos 35-37 escanos fronte aos 32 actuais. Junts per Catalunya pasaría a 27-29 -ten 34. E Ciudadanos baixaría de 36 a 30 ou 29. A CUP experimentaría unha notábel subida -de 4 a 8 ou 10-, o PSC unha máis lixeira -de 17 a entre 19 e 21. Os Comúns estáncanse en 8-10 e o PP baixaría aínda máis e pasaría de 4 a 3. Claro que a creación de Crida Nacional per la República e a conseguinte transformación do espazo que cobre o PDeCat -antes Convergència- ou Junts per Catalunya -a plataforma que impulsou Puigdemont a partir dese partido- alteraría de novo o axitado taboleiro catalán.
PRAZA_18887
O popular Miguel Santalices, actuando como delegado rexio, eloxia a Constitución fronte ao desafío secesionista e apela a loitar contra as seudociencias e a violencia contra as mulleres
O popular Miguel Santalices, actuando como delegado rexio na cerimonia anual da traslación, eloxia a Constitución fronte ao desafío secesionista e apela a loitar contra as seudociencias e a violencia contra as mulleresUnha inmigración "enriquecedora" pero "ordenada, que busque a integración pero que respecte a integridade territorial, o ordenamento xurídico e os dereitos e liberdades dos territorios de acollida". Esa foi unha das peticións que este domingo lanzou na Catedral de Santiago o presidente do Parlamento de Galicia, o popular Miguel Santalices, actuando como delegado rexio na cerimonia relixiosa anual de conmemoración da traslación do Apóstolo.A traslación lembra a lenda do traslado dos restos do Apóstolo Santiago tras a súa decapitación desde o porto de Haifa, próximo a Xerusalén, ata Galicia, onde previamente tería predicado en vida o palestino discípulo de Xesús. Desde 1642 a Casa Real española está presente, a través do seu xefe ou dunha persoa que o represente, na Catedral de Santiago para conmemorar esa lenda cunha ofrenda ou "invocación". Nos anos cunha especial carga simbólica, como os xacobeos, adoita estar presente un membro da Casa Real, mentres que noutros como este faino a través dun representante, que desta volta volve ser o presidente do Parlamento de Galicia e que noutros anos é o presidente da Xunta (Feijóo estaba presente este domingo entre os asistentes á cerimonia) ou o alcalde de Santiago.En anos anteriores diversos oferentes puxeron en mans do Apóstolo a solución de problemas políticos como a corrupción, a sostibilidade do Estado de Benestar ou a unidade de EspañaEn anos anteriores, tanto nesta ofrenda como na que tamén se celebra cada 25 de xullo, o día de Santiago, a Casa Real ou os seus delegados puxeron en mans do Apóstolo a solución de problemas políticos como a corrupción, a sostibilidade do Estado de Benestar ou a unidade de España.Este ano, con varios partidos da dereita alertando dos supostos riscos da inmigración, entre eles o PP da nova dirección de Pablo Casado, quen criticou os migrantes que non respectan os costumes occidentais, Santalices dedicou un momento central da súa intervención a esa temática. Tras lembrar a tradición emigrante galega, o popular salientou que as últimas décadas de progreso económico permitiron reverter esa situación e que España se convertese en lugar de chegada de inmigrantes, algo que considerou "beneficioso" para a economía e "enriquecedor" no cultural. Foi aí cando o político popular fixo votos por que esa inmigración sexa "ordenada, que busque a integración pero que respecte a integridade territorial, o ordenamento xurídico e os dereitos e liberdades dos territorios de acollida".A invocación de Santalices como delegado rexio comezou desexando "longa vida á súa maxestade e á familia real, que a prudencia e o acerto o acompañen", para continuar cun eloxio da Constitución e dos seus 40 anos de vixencia. No seu discurso o popular dedicou espazo ao "desafío secesionista, un quebrantamento democrático que sitúa ao noso país ante o maior reto das últimas décadas". Tamén alertou contra as seudociencias e apelou a combatir mellor a violencia contra as mulleres, entre outras cuestións. O seu discurso rematouno Santalices cunha cita de Castelao: "Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares".
NOS_22062
O nte mesmo falaba cun periodista musical que me dicía que están os tempos raros, que está cambiando todo e que agora cada artista pretende lanzar cancións soltas, sen familia, sen estar arraigadas a un disco… El di que así xa non é o mesmo.
Asistimos a esa transición ao cambio, pero non nos damos adaptado a el. É curioso. Por un lado están os medios que teñen o seu propio protocolo: se non hai disco que presentar, non se lle fai entrevista ao artista, só unha recensión como moito. Miña almiña / Son Trío / Nove pezas / 15 euros Pero por outro lado, está o artista que rexeita facer ese investimento económico para gravar un disco, porque sabe que só unha ou dúas cancións terán protagonismo. É por iso, creo, que cada vez máis persoas dedicadas á música prefiren pór todo o seu corazón nun só tema, para que saia adiante con toda a forza. Ten sentido. Pero nesta ocasión quero falar dun disco, o de Son Trío, tres mulleres que uniron o seu talento para formar esta fermosa andaina xuntas. Son Trío son Katerina Linke (piano e composicións), Su Garrido (voz) e Susanna Blanco (violoncello). Veñen de presentar Miña almiña, un disco de 9 temas baseados en poemas de Rosalía de Castro. A voz de Su Garrido arroupa de forma moi delicada todos eses poemas, formando unha atmosfera íntima e chea de tenrura. Cada instrumento está no seu sitio, unha tremenda melancolía pasa por eles e os versos de Rosalía son aínda máis poderosos. A min pásame que algúns poemas xa están na miña cabeza con outra música, porque escoitei centos de veces o fermoso libro-disco do inesquecíbel Fran Pérez 'Narf' (Nas tardes escuras). E claro, cando te atopas co mesmo poema, pero con distinta melodía, pode ser todo un cataclismo, xa que a memoria musical vai seguir reproducindo a melodía que xa coñeces. Porén, hai que dicir que escoitar novas versións destes poemas é un bo exercicio para a alma, e tamén un boa escusa para seguir mantendo viva a luz de Rosalía de Castro. Porque é necesaria como o sol, porque a súa linguaxe é sempre actual e porque ela, somos nós. Son Trío fai unha revisión magnífica de poemas onde da gusto viaxar e quedar a vivir neles tamén, porque, ao escoitalos, hai unha fermosa sensación de chegar á casa. Non sei se vos pasa a vós tamén que algunhas músicas dan esa tenrura, esa porta aberta, esa lareiriña. Creo que iso é unha das cousas máis lindas que pode facer a música. Especialmente o tema "Miña almiña", que dá nome ao disco, é dunha sensibilidade tan fresca e acolledora que o escoitaría toda unha mañá. Reconforta bastante atopar a Rosalía de cando en vez, así leve outra forma de vestir, porque se algo nos fai voltar a ela sempre é a súa innegábel verdade.
NOS_36271
O Xulgado de Corcubión arquiva as dilixencias abertas contra Manuel Antelo (BNG) a raíz dunha denuncia d@s promotores da fanada moción de censura de marzo de 2013.
O Xulgado de Corcubión ordenou sobreseír as dilixencias abertas ao alcalde e tenente-alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo e Fernando Mancebo, por mor da denuncia presentada polos e polas concelleiras promotoras da fanada moción de censura de marzo de 2013. Antelo e Mancebo estaban imputados por posíbeis delitos de prevaricación e vulneración de dereitos fundamentais, dos que agora fican desimputados. No auto o xuíz sinala que non consta "debidamente xustificada a existencia dunha actuación planificada" por parte do alcalde para "adiar deliberadamente e non tramitar a moción de censura". A isto, engade que "non se entende xustificada a existencia dunha confabulación para frustrar a tramitación da moción". Para Manuel Antelo fica demostrado que "esta denuncia unicamente supuxo máis tensión, confrontación política e desasosego social xunto cunha mala imaxe para o concello de Vimianzo" di o rexedor nacionalista, quen considera responsábeis de "danar a imaxe do concello con falsidade a aqueles, que trizoando a vontade popular, pretenderon derrocar o Alcalde facendo uso do transfuguismo".
NOS_20034
As agrupacións musicais de carácter satírico na loita política da II República.
Nas loitas entre as distintas opcións políticas en tempos da II República, unha faceta practicamente descoñecida na actualidade foi a utilización de agrupacións artísticas de carácter satírico ou musical. O humor crítico era un método que tiña moito éxito entre a poboación, sobre todo cando ía acompañado de música; algo debería ter que ver coa longa tradición galega no seu uso (cantares de entroido, maios, cornetadas, retesías entre parroquias...). A parroquia de Salcedo (Pontevedra) foi un exemplo da práctica deste tipo de actuacións. Existía nela unha autocualificada "murga estraperlitifláutica", integrada por militantes e simpatizantes de formacións de esquerdas, coñecida como "Los Cuchipandistas antifascistas". O seu inspirador era José Peón, enxeñoso veciño cunha longa traxectoria como autor de monólogos, parodias e cancións de carácter cómico. O humor crítico era un método que tiña moito éxito entre a poboación, sobre todo cando ía acompañado de música O obxectivo dos "cuchipandistas" era satirizar personaxes e organizacións dereitistas, tanto de ámbito estatal como, de xeito sinalado, da comarca. Branco preferido das súas pullas eran os compoñentes de asociacións que actuaban baixo o influxo do deputado monárquico Víctor Lis Quibén, como era o caso da Sociedade de Agricultores Antimarxistas. Este tipo de sociedades tiñan como meta agruparse nunha federación agrario-obreira de carácter dereitista en oposición á Federación Comarcal Agraria controlada por militantes comunistas. O xornal pontevedrés El País afirmaba, en xaneiro de 1936, que os patrocinadores deste tipo de entidades eran "os monárquicos que veu derrubar a República do 14 de abril; son os vellos asasinos de Sobredo, os auténticos representantes dos foristas; son a España negra, a España clerical e militarista [...] a parte negra do fascismo e o fascismo é a miseria, a fame, os presidios, os campos de concentración, o terror". A confrontación política na parroquia era moi forte e non faltaban pelexas, cortes de cepas e outras sabotaxes entre os esquerdistas e os coñecidos como "carcas" ou "negros". As cancións están repletas de referencias sarcásticas e críticas e os "cuchipandistas" non andan con rodeos fronte os adversarios; exprésano claramente, como declaración de principios, nunha estrofa da rancheira titulada "Todo para el Jefe", lema co que aluden ao xefe da CEDA José María Gil Robles: Somos los Cuchipandistashablamos sin disimulosi hay a quien le parezca mal que le den por... O seu retrouso era: Jefazo inquisidorcomo te vas alegrartodo quieres para titodos te vamos a dar Nas follas coa letra das cancións fan constar que "Esta murga circula coa debida autorización da brigada sanitaria veterinaria, os animais cuadrúpedes que nela se nomean son da acreditada gandería de Gil Robles". O Goberno presidido por Alejandro Lerroux, do Partido Radical, complicado en asuntos de estraperlo e corrupcións varias, tamén foi branco das críticas mediante un pasodobre titulado "El Estraperlo", do que reproducimos dúas estrofas: Los últimos gobernantesfueron más "gavillantes"lo dieron a demostrarcedistas del "bienio negro"radicales "straperlo"se cansaron de robar.Con la ruleta de Strausnegocio internacionalhicieron del parlamentoen un crítico momentoverdadero carnaval. Porén, o maior éxito sempre correspondía ás composicións alusivas aos fascistas locais; sen dúbida o máis soado foi o valse "La banda negra". Todos sa/ todos saben que en Salcedouna ple/ una plebe se formóes una/ es una banda de negrosque Muley/ que Muley organizócon otro tío que le ayudó.O restrouso era: Jefes de la "banda negra"ya os podeis prepararque os va caer el peloy todas juntas las vais pagar.A los me/ a los medios más rastrerostienen e/ tienen ellos que apelarquitando/ quitándonos el ganadopor no le/ por no le querer votarla tuvieron que amenazar. Os Cuchipandistas eran habituais nos actos da Fronte Popular; foi o caso do festival campestre que organizou a sociedade de agricultores de Salcedo para celebrar a vitoria da esquerda nas eleccións de febreiro de 1936. A sociedade estaba ligada á Federación Agraria Comarcal, como apuntamos, moi influenciada polo Partido Comunista. O programa foi o seguinte: ás oito da mañá, grupos de gaitas percorreron a parroquia tocando dianas e alboradas "dun marcado sabor esquerdista"; a banda de música de Arcade entrou no campo da festa ao son da Internacional e do Himno de Riego; ás cinco houbo un concerto polifónico a cargo dos Cuchipandistas antifascistas e ás seis, José Peón interpretou monólogos de actualidade como El Straperlo, El último Pirata e El golfo de Méjico. Nestes monólogos están claras as referencias ao ex presidente Alejandro Lerroux, ao banqueiro Juan March e ao deputado radical Emiliano Iglesias, respectivamente. Iniciada a guerra, parece ser que estas composicións foron utilizadas pola propaganda republicana pois, segundo diversas testemuñas, os seus versos figuraban nas follas espalladas por avións republicanos sobre os combatentes do bando franquista, feito que puido ter funestas consecuencias para Peón no caso de descubrirse a súa autoría.
NOS_33402
Pauline Marois, candidata polo Parti Québécois, formará goberno. Un atentado na festa de celebracion remata cunha persoa morta e varias feridas.
O Québec decidiu retomar a vía soberanista do PQ e apoiou a candidatura de Pauline Marois nas eleccións celebradas onte nese país. A estratexia de adianto electoral, provocado polas protestas estudiantís despois de que o goberno aumentara as matrículas universitarias, non lle serviu ao Partido Liberal para revalidar o seu goberno. A alta participación, do 74,31%, moito máis elevada que o 57% que tiveron as de 2008, axudou a que se producira o cambio electoral. O PQ acadou nesta ocasión 54 escanos (32%), fronte aos 50 escanos do Partido Liberal, PLQ (31%), e os 19 escanos do Coalition avenir Québec, CAQ (27,1%). Por primeira vez unha muller reclamará o título de primeira ministra aínda que goberne en minoría.. O atentado unionista causou un morto e varias persoas feridas AtentadoNo lugar de celebración da vitoria do PQ, o Métropolis de Montreal, un home armado realizou varios disparos e provocou un incendio ao berro de "os ingleses despertan" co resultado dunha morte e varias persoas feridas, segundo informan varios medios de comunicación de Québec. Pauline Marois tivo que suspender o seu discurso e pedir que @s asistentes regresaran ás súas casas. Pouco despois o PQ publicou na súa páxina web un comunicado no que afirman que "nunca unha sociedade como a nosa deixará a violencia ditar as súas eleccións colectivas. É pola voz democrática como un se ten que expresar, como os quebequeses puideron facer onte".
PRAZA_94
Hoxe, chamamos a toda a sociedade ao cambio, á confianza e á acción, un xesto de xenerosidade e amor colectivo que ilumine o futuro e unha nova cidade que nos inclúa a todxs. Un acto de xenerosidade e de amor tal que faga que as mesas de partidos sexan cousa do pasado.
Un dos principais argumentos cando un réxime se desfai é o medo ao cambio. Nestes últimos anos vivímolo de múltiples maneiras. Desde o terrorismo até a lei mordaza. Desde o jihadismo internacional ao conservadurismo social. Medo a perder o traballo, perder a casa, perder a vida. Medo ás represalias por protestar contra unha crise que é unha estafa. Tamén a nova expresión de eu ou o caos, medo a non ter alternativa: a modulación emocional da poboación ou a psicanálise de masas. Das palabras máis escoitadas esta fin de semana no encontro das #mareasbaixas cara á constitución dunha candidatura de unidade popular destaca a palabra xenerosidade Sen dúbida, os sectores conservadores son unha parte importante da poboación, é máis, unha parte necesaria na súa biodiversidade. Proporcionan elementos críticos ao cambio e axudan a un proxecto social e xeracional de amplas miras e de maiorías sociais. O 99% do que falaba #occuppywallstreet non é posible sen eses elementos. Os de abaixo contra os de arriba é un termo transversal e inclusivo que os fai participes. Algúns dos problemas que hoxe en día atravesa Podemos a nivel programático ou discursivo pasan xustamente por aí: facer deste un cambio de todxs, un novo contrato social. Como xa ocorreu no 15M cos seus consensos de mínimos, por exemplo. Das palabras máis escoitadas esta fin de semana no encontro das #mareasbaixas cara á constitución dunha candidatura de unidade popular destaca a palabra xenerosidade. A xenerosidade necesítase hoxe máis que nunca e por partida múltiple como xenerosidade xeneralizada da sociedade. A cidadanía, o pobo, nosoutrxs, levamos aprendendo a practicar esa xenerosidade social nos últimos anos por diversas canles, xa sexa a través de Stop Desahucios ou de Gamonal, xa sexa a través das prazas ou a través dos actos cotiáns de solidariedade ou apoio mutuo. A xenerosidade fundamenta calquera sociedade. En antropoloxía os pobos deixan de ser inimigos e convértense nun cando comezan a practicar unha economía do agasallo e do don. O mesmo ocorre nas solidariedades veciñais ou familiares. Coa nosa xenerosidade construímos un nós forte e alegre. Que os partidos esquezan os seus medos: Calquera interese partidista verase excedido pola acción da multitude segundo o vello dito do 15M Pero non só se lle demanda xenerosidade á sociedade, ás prácticas micro-políticos senón tamén aos partidos (Equo, Espazo Ecosocialista, Partido Humanista, ANOVA e Podemos) que o domingo estaban convidados a unha mesa redonda sobre a pregunta de se confluír xunto á Marea Atlántica cara ás eleccións municipais do concello da Coruña. Imbuídos estes partidos nalgunhas das prácticas da vella política pídese que abandonen as súas posicións partidarias e deixen de ter medo a perder as súas siglas cara a un proceso de maiorías sociais, de cambio, de ruptura democrática e de proxecto colectivo de construción. Hai que deixar o medo atrás dicía un dos compañeiros da mesa. Podemos afirmar que o medo foi cambiando de bando paulatinamente. Fíxoo no 15M, nos sucesos da Praza Catalunya, en Stop Desahucios, en Gamonal, en Podemos, en Pikachu. A expresión do compañeiro indicaba que chegou a hora de que eses dinosauros que conforman a vella política se disolvan, xunto ás súas identidades, na natureza líquida da marea, axudándonos a construír un futuro que inclúa a todos e todas. Algúns partidos da vella política obviaron o chamamento (xa sexa por causas identitarias ou partidistas ou de "mala sorte"), outros aceptárono. O 15M da Coruña declarábase apartidista e autónomo. O seu desexo parece estar finalmente cumpríndose e pódese hoxe construír unha fronte de acción popular e xa non só unha candidatura de unidade. Que os partidos esquezan os seus medos: Calquera interese partidista verase excedido pola acción da multitude segundo o vello dito do 15M. As nosas reinvidicacións e propostas son sinxelas e universais: pan, teito e traballo para todos e todas. As nosas ferramentas son a democracia e a ética Por último e de novo, a xenerosidade demándase tamén hoxe aos sectores máis conservadores da nosa sociedade. Esforzos están a producirse en todos os sentidos, votantes do PPSOE cambian as súas confianzas e Pablo Iglesias publica un borrador lixeiramente social demócrata de programa económico. Fronte ao conservadurismo e á vella política atrincheirada este fin de semana viviuse nas #mareasbaixas un incrible clima de innovación política. A competencia partidista deu lugar á creación colectiva en tres frenéticos días. A innovación axúdanos a albiscar horizonte. Imbúenos de esperanza no futuro. Arroxa luz nos momentos de crise máis profunda. Esta fin se semana produciuse un incrible volume de propostas innovadoras por parte de especialistas e de cidadanía. Un primeiro paso nun esforzo xigantesco de rexeneración democrática e reactivación social e produtiva. As nosas reinvidicacións e propostas son sinxelas e universais: pan, teito e traballo para todos e todas. As nosas ferramentas son a democracia e a ética. O chamamento desta fin de semana é tamén un chamamento á responsabilidade, pero esta vez tamén á responsabilidade dos sectores conservadores e escépticos ou desconfiados da sociedade. A responsabilidade, esa palabra tan conservadora, non é só criticar o cambio senón alentar a creación e dotala de autonomía. Hoxe, chamamos a toda a sociedade ao cambio, á confianza e á acción, un xesto de xenerosidade e amor colectivo que ilumine o futuro e unha nova cidade que nos inclúa a todxs Estamos nunha situación de urxencia. Somos o 99%, a maioría social, o pobo, xente do común. Hoxe, chamamos a toda a sociedade ao cambio, á confianza e á acción, un xesto de xenerosidade e amor colectivo que ilumine o futuro e unha nova cidade que nos inclúa a todxs: conservadores e progresistas, esquerdas e dereitas, españolistas e galeguistas, precarios e funcionarios, mozos emigrantes e nais sen traballo, agricultores e traballadoras cognitarias. Nosoutrxs. Un acto de xenerosidade e de amor tal que faga que as mesas de partidos sexan cousa do pasado.
NOS_55850
O vindeiro 25 de xullo, ás 18.30 horas, o Festigal acollerá a presentación dun novo número da publicación Terra e Tempo titulada Resistencia e expansión cultural. Crónica do movemento cultural galego na ditadura (1961-1976). O volume recolle artigos de trinta e dúas autoras e autores sobre vinte e cinco asociacións culturais e será presentado por María Pilar García Negro, Nemesio Barxa e Pilar Allegue.
A Fundación Terra e Tempo presenta no Festigal, o 25 de xullo, ás 18.30 horas, un novo volume da revista homónima, que nesta ocasión representa a radiografía máis completa do movemento cultural galego na ditadura e que abrangue o período que vai desde o ano 1961 ao 1976. Trátase dunha aproximación, da man das propias protagonistas, a un sector daquela mocidade con ganas de rachar cunha dinámica cultural paternalista e desgaleguizadora. A Fundación Terra e Tempo reflicte en Resistencia e expansión cultural, a crónica do asociacionismo cultural durante o franquismo, que estará á venda no Festigal, a etapa inicial de cada asociación cultural que nacera con vocación galeguizadora e de transformación social. "Queríamos publicar esta información para que a memoria das asociacións culturais non ficara arrombada nos faiados das casas, entre papeis vellos que xa nin se remexen", explica a fundación. Alimentar o futuro O novo volume do Terra e Tempo recolle o innegábel ronsel que deixou tras de si todo o movemento cultural dos sesenta e setenta: mostras de teatro, de cinema, de música tradicional, feiras do libro, unha rede editorial, mesmo unha política cultural municipal. "Non todo o abordado neste Terra e Tempo é historia. Segue habendo un vizoso movemento cultural en Galiza mais alá das institucións, que deben ter o seu ámbito de actuación mais nunca substituír o que é esencial... a participación de cada un de nós en crear cultura galega, en soster espazos autónomos de difusión da creatividade que ten Galiza como razón de ser e de existir", recóllese na introdución da publicación, onde se pon de manifesto que "a cultura como elemento de concienciación política é esencial, foino no pasado e aínda o é máis na actualidade". Os contidos Primeiro as asociacións. Abrente de Ribadavia, a abrir camiños nas terras do Ribeiro. Amigos da cultura de Pontevedra, a facer cultura de nos na boa vila. A Asociación Cultural de Vigo, a resgatar Galiza na grande cidade do sur do país. O Ateneo de Moaña, a fabricar galegas e galegos nas terras do Morrazo. A Auriense, a espertar conciencias por onde pisaron as xentes de Nós. Avantar, avanzando cara a Galiza pola comarca de Orcellón. Os Cabaceiros, galegos de lei en Maceda. Valle Inclán, o comezo de todo en Lugo. A Agrupación Cultural Monforte, o encontro dos que querían repetir a Castelao. O Seminario de cultura galega do Club de amigos da Unesco, a escola de galeguidade en Madrid. Os Choupos, a Galiza que quería seguir sendo en Verín. Os Cigurros, a cultura para sempre na Rúa. O Departamento de cultura galega da asociación de amigos da ONU, a casa dos galegos practicantes en Barcelona. O Eixo, unha proposta para galeguizar a Universidade. O Facho, unha luz na noite da Coruña das Irmandades. Francisco Lanza, a facer cultura en Ribadeo até hoxe. O Galo, un canto galego en Compostela para sempre. Inquedanzas, a levar as preocupacións galegas a Portonovo. Liboreiro, o comezo dun tempo novo en Bueu. Lóstrego, a tormenta galega que sacudiu Madrid. Lumieira, a luz que prendeu en Carballo até hoxe. Lumieira, o facho que alumeou Chantada en tempos de escuridade. Sementeira, o traballo de varias xeracións de viveirenses que deu froito. O Xestal, o soño dunha mocidade de Barro que non dimitía como galega. Xuntanza de Seixo, cando Galiza volveu a Marín. Agora os autores. Xosé Luís Chao, Luísa Escudero, Mela Fariña, Isolina Rionegro, desde o parto de Abrente até hoxe. Pilar Allegue, no Seminario de Cultura Galega do Club de Amigos da Unesco e en Amigos da Cultura de Pontevedra por Galiza. Luís Pérez Rivas, no Ateneo de Moaña e na Fronte Cultural. Nemesio Barxa, un galego de lei na Auriense e na cultural de Vigo. Felipe Senén López, na cultura galega desde Avantar. Santiago Prol e Xerardo Dasairas, cronistas e protagonistas en Maceda e Verín. Xosé Lois Cortes e Xosé Lois García, operarios da cultura galega en Monforte e Barcelona. Xan Fraga e Afonso Eire, facedores de luz en Carballo e Chantada. Margarita Fernández, a actriz e dramaturga que comezou en Os Cigurros. Seguimos cos cronistas. Henrique Harguindey, Xosé Alberte Corral, Manolo Romero e André Salgueiro, na cultura galega desde a fundación do Facho. Xesús Sanxuas, o secretario daquel Galo que comezaba a cantar. Francisco Rodríguez Guerreiro, sementador de Galiza en Viveiro e na Mariña. Dores Fernández Abel, presidenta actual de Francisco Lanza. Bieito Iglesias e Andrés Fernández, sempre en O Eixo. Cesáreo Sánchez e Xan Rey, dous lóstregos a facer cultura en Madrid e Barro. Luciano Guimeráns e Xosé Novas, no comezo de todo en Marín e Bueu. Lois Diéguez, un imprescindíbel na cultura galega, tamén no Valle Inclán. Escola de formación A historia da Galiza actual non se explicaría sen o labor desenvolto polo asociacionismo cultural galego nas décadas finais do franquismo. A difusión da cultura galega, a organización de cursos para a aprendizaxe da nosa lingua, a recuperación de tradicións e expresións etnográficas, o apoio á escrita, á musica, ao cinema, ao teatro ou ás artes plásticas ou a celebración de centos de palestras e mesas redondas sobre problemáticas diferentes, resultaron decisivas para a toma de conciencia galega e democrática de centos de persoas no conxunto do país. As entidades culturais actuaron ao tempo como unha auténtica escola de formación de demócratas e como un viveiro de antifascistas e xogaron un papel chave na estruturación da alternativa nacionalista, primeiro na clandestinidade e despois nos anos limiares da mal chamada transición. A publicación editada pola Fundación Terra e Tempo representan un chanzo máis no resgate da memoria orfa dos anos finais do franquismo e dos inicios da restauración borbónica.
PRAZA_3478
O propio Feijóo anunciou o xoves a saída, pero esta non se concretou no Diario Oficial de Galicia ata este luns, permitindo que os implicados asistisen a festas ou encontros con todo tipo de colectivos
O propio Feijóo anunciou o xoves a saída, pero esta non se concretou no Diario Oficial de Galicia ata este luns, permitindo que os implicados asistisen a festas ou encontros con todo tipo de colectivosO pasado xoves o propio presidente Feijóo anunciou, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta, que o Goberno galego viña de decidir apartar dos seus postos a doce altos cargos para que poidan formar parte das listas do PP para o 5A, xa que a lei impide compatibilizar os dous postos salvo aos conselleiros. Porén, eses cesamentos, asinados o mesmo xoves, non foron publicado no Diario Oficial de Galicia ata este luns, día límite para que se rexistren as listas electorais, o que permitiu que durante estes días seguisen a desenvolver axendas oficiais como cargos do Goberno galego. Agora, a súa saída oficial deixará a Xunta sen dirección nesas áreas durante máis de dous meses.Asistencia a festas, reunións con todo tipo de colectivos e presentación de novos proxectos que xa non dará tempo a que desenvolva o actual Goberno galego foron algúns dos actos desenvolvidos nos últimos días por eses cargos tras ser sinalados por Feijóo como candidatos do PP. Un xeito de proceder que xa se rexistrou en anteriores convocatorias electorais.Especialmente significativa foi a axenda da directora de Turismo, Nava Castro, que asistiu o venres á presentación da Festa da Arribada en Baiona, recibiu a representantes das novas festas de interese turístico, promoveu unha actividade do Xacobeo e participou nunhas xornadas sobre vivendas turísticas. Agora o cargo quedará baleiro máis de dous meses, durante a Semana Santa e o período de preparación da temporada turística do verán. Pola súa banda, a secretaria de Igualdade, Susana López Abella, participou o venres na presentación dunha exposición e o sábado na apertura dunha xornada de formación. O cargo estará baleiro este próximo domingo, o Día da Muller.Canto aos delegados, o de Lugo, José Manuel Balseiro, reuniuse o venres con empresarios para presentarlles a proposta do Goberno galego de que o Estado constrúa un Parador na cidade e asistiu a unha cata en Portomarín e a un acto do Xacobeo en Monforte. O sábado asistiu a unha concentración de caravanas en Baralla e visitou unha residencia de maiores. A delegada en ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou o venres unha plantación de trigo e unha explotación de vacún e participou nun encontro con autónomos. E o delegado na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiu o domingo á Festa da Filloa de Lestedo, da que mesmo salientou que sería o seu "último acto como delegado territorial" malia que o Consello da Xunta xa acordara o seu cesamento tres días antes. En 2016 o cesamento dos delegados fixo aumentar a proxección política do seguinte nivel, os xefes territoriais, que o PP argumentara que ían ser postos técnicos pero que participan en mitins popularesNas últimas eleccións galegas, as de 2016, a decisión de Feijóo, como agora, de prescindir dos delegados territoriais da Xunta para que poidan ir nas listas electorais do PP fixo aumentar durante varios meses a proxección política do seguinte nivel da administración, os xefes territoriais. Unha figura que o Goberno galego creou en 2009 co argumento de que serían postos técnicos, non políticos, que permitirían aforrar e eliminar a anterior estrutura dunha delegación territorial por consellería para pasar a cinco delegacións de toda a Xunta. A realidade é que neste tempo os xefes territoriais veñen revelándose como persoas de confianza do PP, con presenza nos seus mitins e aos que mesmo se eloxia en público neles.
NOS_16155
O número 30 do Sermos Galiza sae do prelo cun novo deseño gráfico -máis claro, máis de vangarda- un caderno de análise de 8 páxinas e información alternativa.
Por que o PP fai de escudo fiscal dos megarricos, como Amancio Ortega? Que pretende a dirección de Novagaliciabanco? Cara a onde camiña a demografía galega? Os orzamentos da Xunta para 2013 agravarán ou amortecerán a durísima costa de Xaneiro? Algunhas destas perguntas achan resposta no número 30 do semanario Sermos Galiza, esta sexta feira nos quiosques do País. Esta entrega é tamén a da estrea dun caderno de análise de 8 páxinas que leva como título xenérico A FONDO. O seu primeiro número, dedicado aos efeitos da reforma laboral do Goberno Rajoy, foi coordenado por Xabier Pérez Igrexas.
NOS_54958
As seleccións nacionais masculina e feminina xa están en Abu Dabi para facer historia esta sexta feira e que o noso país viva o seu primeiro mundial oficial. Até a prensa irlandesa adica páxinas duplas a selección galega.
Galiza a competir nun mundial oficial. Con seleccións de seu, masculina e feminina, coas súas cores e a nosa bandeira. Vai ser estes días en Abu Dabhi, no Mundial de fútbol gaélico, un deporte que se practica en ducias de países. A quenda do noso país será esta sexta feira: enfrontamentos coas seleccións de Sudáfrica (12:00 horas), Arxentina (14:30) e Golfo Pérsico (16:00). Partidos que se van poder ver por millóns de persoas a través de certas canles televisivas (non está claro que a galega se sume, malia pedírselle no Parlamento). Mais de Galiza xa se está a falar no propio berce deste deporte, Irlanda. O diario The Irish Times adica capa e dupla páxina ás seleccións nacionais galegas desta modalidade. Non está nada mal para un deporte que comezou a se praticar en Galiza hai cinco anos. Desde entón, espallouse por todo o país cunha intensidade que abraia en Europa. Unha campaña de crowdfunding, as achegas d@s propios deportistas e o patrocinio da Deputación de Pontevedra fan posíbel o momento histórico que se vai vivir estes días. As redes sociais (facebook e twitter da Asociación Galega de Fútbol Gaélico) serán unha boa ferramenta para acompañar as nosas seleccións neste Mundial. Os partidos terán unha duración de 20 minutos e enfrontarán equipos de 9 persoas. Os nomes da fazaña Malia a baixa de última hora dos xogadores do equipo masculino máis potente de Galiza -o Estrela Vermelha de Compostelaapós un proceso no que houbo algunha tensión, finalmente as seleccións nacionais galegas -adestradas por Jerry Holmes a masculina e Carlos Torres a feminina, están compostas por: Mancusi, Iago Pedreira, Javi Cagiao, Julián Díaz, Pablo Miragaya e Alberto Méndez do Fillos de Breogán da Coruña, Lupo, Pablo Durán, Yupe e Corba do Irmandinhos da Estrada e Matías Fernández e Mario Iglesias do Mecos do Grove, a masculina. Laura Paz, Paula Paz, Patri García, María Rubia Corrochano e Marta Blanco do Fillas coruñés, Athenia Álvarez, Sarai Louzao e Paula Castro das Irmandinhas, Ánxela Estévez e Vanesa Calviño do Estrela Vermelha e Eva Gómez das Mecas forman o equipo feminino. Neste Sermos Galiza nº136 adicamos unha ampla reportaxe de Rodri Suárez a dupla páxina a esta cita histórica. Podes adquirilo aquí.
PRAZA_7166
Benestar disponse a contratar novos anuncios para fomentar a natalidade mentres a oposición censura a súa "hipocrisía" por desenvolver estas campañas mentres aplica recortes sociais. A Xunta mantén que a decisión de ter descendencia non está relacionada cos cartos ou o desemprego.
Hai tres décadas que en Galicia morren máis persoas das que nacen. O país sofre o que se deu en chamar "inverno demográfico" e, ante este evidente problema, o Goberno galego puxo en marcha o seu Plan de Dinamización Demográfica, un documento despachado nun trámite parlamentario de menos de catro horas que inclúe certas medidas de apoio ás familias, como deducións fiscais, con outras de marcado carácter publicitario ou propagandístico, tales como a considerar cidadáns de pleno dereito os "concibidos e non nados" ou a posta en marcha de diversas campañas de publicidade. A Consellería de Traballo e Benestar disponse a afondar nesa liña publicitaria coa posta en marcha da súa terceira campaña de anuncios sobre o tema, poñendo sobre a mesa desta volta ata 600.000 euros. Entre medidas e circunstancias que, a priori, desincentivan a decisión de ter fillas e fillos, como as subas de prezos nas escolas infantís, os recortes en educación, as baixadas de salarios ou o desemprego, Benestar disponse a apelar novamente á "responsabilidade compartida por toda a sociedade" para invertir a tendencia demográfica. Nun contexto no que a propia Xunta mantén que a falta de cartos ou o paro non inflúen á hora de decidir ter descendencia, a Consellería pon sobre a mesa 600.000 euros que se suman aos 614.840 que gastou na primeira edición da campaña e aos 318.900 que custou a segunda. En total, máis de millón e medio. O gasto nestas campañas publicitarias supera xa os 1,5 millóns de euros A empresa que se faga co contrato terá que desenvolver unha campaña destinada á poboación de entre 18 e 45 anos cun "discurso vital, amable, positivo e evitando un ton moralizante", encarga a Xunta, que sinala ademais a "necesidade" de poñer o acento nas "consecuencias negativas duns índices continuados de baixa natalidade". "Nenas e nenos deben ser os protagonistas da campaña" e, "xunto a esta visibilización", deben "verse os recursos públicos, familiares e individuais" que "favorezan esa idea na contorna social" e que "fagan de Galicia unha comunidade moderna, amable non só para os nosos maiores". "A solución ha de vir da man de todos os galegos", di a Xunta Asemade, nesa publicidade a "conciliación ha de xogar un papel importante", amosando "que recursos existen e por cales debemos apostar" e explican que "a solución ha de vir da man de todos os galegos e galegas". Ten que ser, di a Xunta, unha mensaxe "realista, sen negar a problemática" pero "positiva, sen caer en mensaxes manidas". Todo, abonda, debe servir para presentar unha "imaxe moderna e actual de Galicia", con "música que chame a escoitar o anuncio" e "palabras non esperadas, que xeren sorpresa/perplexidade" e "insistan nunha nova óptica da natalidade". Trátase, ademais, de "ampliar a imaxe actual da campaña e chegar a todos os tipos de familia", tamén ás que inclúen fillos ou fillas adoptadas. Críticas da oposición Esta nova contratación chega despois de que as dúas anteriores edicións da campaña xa fosen obxecto de críticas por parte de toda a oposición parlamentaria, que considera incongruente que se produza este gasto en anuncios nun contexto de recortes sociais. Así, por exemplo, dende o PSdeG a súa deputada Carmen Gallego considerou que as tesoiradas "casan mal coa petición para que as mulleres nos poñamos todas a ter fillos pola caída demográfica brutal de Galicia". Ao seu xuízo resulta "cínico" que o Goberno destine fondos do erario a estas campañas mentres retira servizos públicos. PSdeG, AGE e BNG ven estas campañas "cínicas" e "hipócritas" por cadrar no tempo con recortes sociais Na mesma liña o parlamentario de AGE Juan Fajardo ten cualificado de "hipócrita" que "por unha banda, se anime a cidadanía a ter fillas e fillos" para "despois, deixalos abandonados á súa sorte por parte da Xunta" aínda que "unha vez nacidos non teñan nin sequera para comer". Na mesma liña, a deputada do BNG Carme Adán, lembra que "o problema non é ter fillos e fillas", senón "alimentalos, mercar os libros de texto e todo o que precisan". Para a nacionalista resulta "indecente" desenvolver campañas coma esta mentres, por exemplo, no mercado laboral a maternidade supón un prexuízo para as mulleres ou mentres "soben o prezo das escolas infantís e da atención á dependencia".
NOS_39867
A plataforma lembra que "a seguridade das costas galegas segue a ser competencia de Madrid", que "outro 'Prestige' é posíbel" e chama a concentrarse na Coruña o 16 no inicio dun xuízo que "comeza dez anos após a catástrofe".
Cos artistas Xurxo Souto e Isabel Risco como portavoces, a plataforma cidadá Nunca Máis volveu esta cuarta feira na Coruña a comparecer en público para, nas vésperas do décimo aniversario da catástrofe do 'Prestige', chamar a participar na concentración que convocan diante do improvisado xulgado de ExpoCoruña onde o día 16 comeza o xuízo, ás 11.00 horas. "Volvemos a rúa porque outro desastre como aquel é posíbel. Houbo avances, como a desaparición dos petroleiros monocasco, mais segue sen haber unha vixilancia vía satélite que controle o que pasa no noso corredor marítimo e, por exemplo, evite verquidos como os dos sentinazos. E aínda non se transferiron a Galiza as competencias nese eido, polo que Madrid volvería ser quen asumise outra situación semellante. Tampouco hai estudios que indiquen ás claras o estado dos bancos afectados ou do efecto que tivo o chapapote na saúde das persoas", indicou Souto, que comezou a conferencia de prensa pedindo: "Saúde e océano". " O que ten que quedar claro é que non pode haber impunidade" dixo Xurxo Souto O polifacético artista coruñés asegurou que "o xuízo comezará dez anos despois, e todo adiamento na xustiza é sempre unha derrota". "Mais temos que celebrar que diante do aparato xudicial do estado, os avogados de Nunca Máis teimaron sen descanso e até conseguiron que fose imputado o Director Xeral da Mariña Mercante naquela altura, López Sors. Agora o que ten que quedar claro é que non pode haber impunidade", engadiu. Xurxo Souto tamén indicou que "o feito de que o 'señor de los hilillos' (en referencia a Mariano Rajoy) sexa agora presidente do goberno é unha razón máis para nos mobilizar, xa que está moi claro que as nefastas mans en que estivemos daquela son as mesmas en que estamos agora, por moita lexitimidade que teñan. De feito, é importante a reactivación de Nunca Máis tamén polo que significa nestes tempos de crise en que nos piden que aturemos todo de xeonllos. Nese sentido, Nunca Máis foi un exemplo para o mundo á hora de levantar a bandeira da dignidade dun pobo e do ecoloxismo, ademais cun xeito propio de mobilizarse, creativo e mesmo humorístico". Abordado polas previsíbeis acusacións de "electoralismo" que puidese ter esta convocatoria, Xurxo Souto lembrou que "a data do xuízo foi cousa do xuíz e dos que tardaron tanto, non a puxemos nós". Pola súa banda, a actriz Isabel Risco tamén fixo referencia a que "moitos dos culpábeis da terríbel xestión da catástrofe agora ocupan cargos aínda máis altos que hai dez anos". Así mesmo, asegurou que "os cativos avances acadados en seguridade marítima debéronse á mobilización deste pobo" e afirmou que a presente convocatoria tamén pretende lembrar que "nós somos do mar, o mar non é noso". Os avogados denuncian a tardanza do proceso Pola súa banda, os avogados da plataforma Miguel Anxo Fernández e Pedro Trepat acusaron o estado de "dilación indebida" perante os dez anos de adiamento da causa. Tamén celebraron que vaia comparecer o daquela ministro de Fomento e alto cargo do PP, Álvarez Cascos, "posto que intentaron usar a López Sors como dique con que poñer a salvo o resto de responsábeis do goberno". Fernández asegurou que as conversas desveladas na prensa segundo as cales Salvamento Marítimo intentou levar o buque á ría da Coruña para non danar toda a costa galega servirán de "atenuante", entrementres Trepat dixo que "agora mesmo pode volver producirse un accidente como aquel, mais creo que a resposta popular conseguiu que nese caso agora farían caso aos técnicos á hora de tomar decisións". A confraría denuncia que persiste a falta de medios Entre os asistentes á conferencia de prensa estivo o patrón maior da confraría da Coruña, Manuel Cao, que sinalou que a ría da Coruña "non era o lugar máis axeitado para levar o Prestige". En conversa informal ao remate do acto, lembrouse que a maioría de expertos apostaron por levar o 'Prestige' a Corcubión, que polas súas especiais características até podía ter evitado o afundimento do barco. Cao confirmou que "os medios existentes agora para unha emerxencia como aquela seguen a ser escasos, case ningún". Ademais, en contra dos argumentos utilizados no seu día polos gobernantes "o porto exterior da Coruña non pode ser un porto refuxio de ningunha das maneiras, aí non se pode meter un barco nesa situación, especialmente nos meses de inverno".
NOS_12613
Os Irmandiños vólvense rebelar contra a opresión dos señores feudais e tomarán este sábado de novo o castelo de Vimianzo. Como cada primeiro sábado de xullo desde hai vinte anos este día 4 conmemorarase a revolución e a vitoria do pobo sobre os poderosos.
O castelo de Vimianzo convértese un ano máis no referente do poder ao que as Revoltas Irmandiñas van vencer, como naquel século XV ao que cada ano, e desde hai vinte, vólvese nunha singular festa que rememora un dos episodios de máis forza no relato da nosa historia nacional. Durante toda a semana, en Vimianzo conmemórase o episodio histórico que hai vinte anos tomaron como motivo da súa festa mais é o propio sábado a xornada principal na que se toma o castelo e se celebra a vitoria do pobo sobre o poder que o oprime. A actualidade está sempre presente nesta representación no que se conmemora a rebeldía fronte á inxustiza. Asalto e música na noite Teatro, música, feira artesanal, concursos, unha cea medieval no castelo ou a VIII edición dos Pinchos Irmandiños nos bares e restaurantes locais son algunhas das actividades paralelas á festa. Máis serán os concertos do sábado a noite e a representación cos veciños e veciñas da localidade da que partilla o público os momentos cumios da festa, nun entorno singular como é o propio castelo de Vimianzo. Desde as 10 da mañá estará xa aberta a Feira Artesanal na Praza do Concello e a exposición permanente sobre armas e armaduras da Idade Media, arredor do que se fará tamén un taller interactivo. No Castelo desenvolverase a mostra de artesanía ao vivo mais a música, o baile, a comida da época e unha chea de actividades completarán un programa que chega na noite ao seu punto álxido, coa cea medieval e o asalto ao Castelo que está previsto ás 23.30 horas. Ruaille-Buaille, Alamedadosoulna, Artistas del Gremio e Dakidarría porán música á histórica e rebelde xornada.
NOS_48671
Desde a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco aclararon que xa se puxo en marcha o protocolo para que as e os doentes garden corentena. Así mesmo, estase a facer seguimento do persoal e pacientes de risco por estar en contacto coas sanitarias.
A Consellaría de Sanidade anunciou esta mañá que vén de detectar un abrocho entre o persoal sanitario do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU), onde habería de momento cinco casos positivos por coronavirus. Ademais, hai outro gromo activo con oito empregadas e empregados no Hospital Público de Verín. Os gromos, aclararon fontes da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, correspóndense nos dous casos con persoal das unidades de hospitalización destes centros. Unha vez que se tivo coñecemento dos casos entrou en funcionamento o protocolo de seguemento e illamento de contactos de risco entre o persoal e as e os pacientes das dúas unidades. Nestas áreas dos hospitais "bloqueáronse os accesos e visitas este martes" co obxectivo de que os contaxios non continúen. Atendendo ás instrucións do Servizo de Medicina Preventiva e da Unidade de Saúde Laboral, as e os 13 sanitarios atópanse en corentena. Cinco deles son do hospital de Ourense mentres que outros oito estaban a atender a enfermas e enfermos en Verín. Neste contexto, mantéñense os estudos para determinar "a orixe e o alcance dos focos". Cando menos así o confirmaron desde a área sanitaria afectada.
NOS_39275
A Mesa pola Normalización e outros axentes sociais que traballan pola normalización das linguas propias do Estado realizaron na quinta feira, 3 de outubro, unha reunión de traballo en Valencia na que concretaron varias liñas de traballo.
A Mesa pola Normalización Lingüística, Acció Cultural del País Valencià, Iniciativa pol Asturianu, Plataforma per la Llengua, Òmnium Cultural, Nogará, Kontseilua e Ciemen, todas elas entidades que traballan en defensa do aragonés, do asturiano, do catalán, do galego e do euskara presentaron, o pasado 10 de abril de 2019, en catro roldas de prensa simultáneas en diversos puntos do Estado, o documento Pluralidade lingüística: liberdade, igualdade e democracia, no que recollen diversos compromisos que deberían tomar os partidos políticos. "Hoxe en día existe un desequilibrio entre o castelán e as linguas minorizadas", explica en nota de prensa o presidente da Mesa, Marcos Maceira, "e, por tanto, para conseguir igualdade, liberdade e democracia, é necesario, entre outras cousas, recoñecer idénticos dereitos e deberes a toda a cidadanía, contratar na administración pública persoal capacitado nas linguas minorizadas, normalizar o uso das linguas minorizadas nos xulgados e dar fin á imposición do castelán a través das normas. Ese é o eixo dos compromisos que redactamos". "Hoxe en día existe un desequilibrio entre o castelán e as linguas minorizadas", declara Marcos Maceira Varios partidos políticos adiantaron que se chegan ao Goberno teñen intención de tomar medidas para restrinxir os dereitos lingüísticos da cidadanía que quere vivir en linguas propias. "Por iso, non queremos dirixirnos a eses partidos", afirma Maceira, "demandamos ao resto do arco parlamentario que fagan seus os compromisos recollidos no documento". Para conseguilo, na reunión de hoxe decidiron pór en marcha diferentes dinámicas para socializar o contido do documento e recoller compromisos concretos dos partidos políticos, entre outras, realizarán unha comparecencia conxunta en Madrid a finais de mes.
PRAZA_15419
José Ignacio Wert acaba de inventar un xeito o suficientemente brando e aséptico para espetarnos a todos nos fociños a seguinte máxima: Non quero que as institucións educativas funcionen democraticamente e non estou disposto a mover un dedo para que iso aconteza, e punto.
Eu non sei que pensarán os máis de 47 millóns de almas - oficiais – que viven en España, mais creo que deberiamos calibrar a posibilidade de esixir un referendo vinculante coa seguinte pregunta: "Está vostede disposto a soportar – e a pagar - a máis gilipollas na administración pública?" Sería desexable que a resposta só puidese contemplar dúas opcións, isto é: ou si, ou non. Se gañase o si, teríamos un serio problema, a saber: o feito de ter que convivir nun país anestesiado contra a gilipollez. Se gañase o non, teríamos outro, isto é: a responsabilidade de relevar ás nosas autoridades por almas menos gilipollas e demostrar que os relevadores estamos á altura das circunstancias. A gilipollez, como a fe e os sentimentos nacionais, non se mide. Non pode medirse. Vai na súa propia natureza o ser inmensurablemente ilóxica, e por iso o poder abanea sempre as súas pantasmas para manter á sociedade en competición e pánico recíproco A gilipollez, como a fe e os sentimentos nacionais, non se mide. Non pode medirse. Vai na súa propia natureza o ser inmensurablemente ilóxica, e por iso o poder abanea sempre as súas pantasmas para manter á sociedade en competición e pánico recíproco. Mais, a gilipollez tamén pode golpearnos por outra vía, a través dos sentidos, coma un estarrecedor curtocircuíto ético e estético no corpo; ás veces, ten un aquel de síndrome Stendhal invertido: pode chegar a resultar tan terriblemente grotesca que nos acelere o pulso cardíaco deixándonos sen respiración. Outras veces ten un aquel Harendtiano con pinguiñas de comedia e pode chegar a resultarnos tan banal coma o mal e tan disparatada coma un filme de Billy Wilder. En calquera caso, unha cousa está clara: sexa grotesca, sexa banal ou sexa disparatadamente cómica, a gilipollez é unha enfermidade que precisa cura. Unha enfermidade que custará décadas curar na Jangada de pedra e no resto do cosmos. Estudo de caso número 1. Alberto Núñez Feijoo; del sabía que era o máis parecido á nada. Sabía, tamén, que era o máis parecido a un número negativo, destes que só poden restar aos que suman ou sumar progresivamente aos que, coma el, non deixan de restar a medida que os números negativos van virando máis e máis cara a esquerda. O que non me esperaba, iso sí, do noso presi, é que fose capaz de exhibir a súa filosofía de vida con tanta rotunda serenidade: "Á Xunta de Galicia non se chega para aprender", espetou á concorrencia na presentación do seu novo executivo. Non importa os erros ou acertos que un presidente do goberno poda cometer na súa lexislatura despois de catro anos de xestión. Non existe, tampouco, polo visto, a posibilidade de autorreflexividade crítica ou mirada retrospectiva Perfecto. Non importa os erros ou acertos que un presidente do goberno poda cometer na súa lexislatura despois de catro anos de xestión. Non existe, tampouco, polo visto, a posibilidade de autorreflexividade crítica ou mirada retrospectiva. E para que, de que serve recordar ou ser autocrítico? Quita, quita, que estrés fillo. Non. O que importa é seguir chupando do chuchamel do poder ad infinitum, porque para iso está un presidente do goberno, para non aprender nada. Un presidente do goberno só pode aprender durante ese lapso de vida que vai da adolescencia tardía a unha suposta madurez, a partir de aí só queda recibir un título universitario e pagar o carné dun partido X para competir nunhas eleccións internas como aspirante á presidencia sen ter o mínimo esbozo, programa ou proxecto concreto que ofrecer aos cidadáns. Xa o dicía Antonio Gramsci, así que vou transmigrar – e compartir - parte da súa alma nestas liñas: Feijoo ten, sen dúbida, o peor dese orgullo de partido do que falaba Gramsci e o peor dese orgullo das nacións do que falaba Giambattista Vico "A propósito do orgullo de partido, pode dicirse que é peor que o orgullo das nacións do que falaba Vico. Por qué? Porque unha nación non pode non existir, e no mero feito de que existe é sempre posible, aínda que sexa con boa vontade e forzando os textos, descubrir que a existencia en cuestión rebosa destino e significado". Feijoo ten, sen dúbida, o peor dese orgullo de partido do que falaba Gramsci e o peor dese orgullo das nacións do que falaba Giambattista Vico. A suma deses dous orgullos teñen como química resultante unha estulta, bárbara e insensible soberbia: a que exclúe á sociedade civil da condición de cidadáns con dereito a ter dereitos – e, por conseguinte, a reivindicalos -, a que exclúe a boa parte da sociedade civil das bases materiais e a cobertura legal e institucional necesaria para gozalos, a que exclúe á sociedade civil do necesario reparto e xestión económica do excedente produtivo en base ás súas necesidades básicas e radicais… e a que exclúe á sociedade civil da condición de non-humanos se non entran dentro dos esquemas cognitivos do ideal de home para o que está estruturada a civilizatio neoliberal: 1- Exclusión racial; como normal, lóxico ou natural… o monopolio e xestión do poder, político e económico, recae no home branco, sendo o resto anormal, ilóxico ou anti-natura. 2- Exclusión de xénero; como normal, lóxico ou natural… o monopolio e xestión do poder, político e económico, recae no varón, sendo o resto anormal, ilóxico ou anti-natura. 3- Exclusión sexual; como normal, lóxico ou natural… o monopolio e xestión do poder, político e económico, polo home heterosexual, sendo o resto anormal, ilóxico ou anti-natura. 4- Exclusión de clase; como normal, lóxico ou natural… o monopolio e xestión do poder, político e económico, en base ás leis de familia e/ou linaxes transmitidas a través da riqueza herdada, sendo anormal, ilóxico ou anti-natural que os cidadáns excluídos da lei de familia e da pertenza filiativa a estas linaxes accedan aos postos de responsabilidade por propios méritos e capacidades. José Ignacio Wert. Del sabía que era carca, moi carca. O que non sabía é que fose algo máis que iso: un fascista ilustrado cun toque clásico e postmoderno ao mesmo tempo Creo que o fundamento real do contrato social que deu como resultado a redacción das cartas magnas que, supostamente, representan a common law, a lei común dos estados-nación occidentais, reside nesta asimetría e dominación concreta. Dominación naturalizada, normalizada ou racionalizada a través de moitas retóricas: a retórica política, xurídica e sociolóxica – isto é, secular, mundana -, e a retórica das doutrinas sociais institucionalizadas das tres grandes relixións de occidente: o cristianismo, o islam e o xudaísmo – isto é, confesional, extramundana -. Creo, tamén, que a teoría literaria e a teoría estética podería desvelar esta múltiple cousificación do humano. Estudo de caso número 2. José Ignacio Wert. Del sabía que era carca, moi carca. O que non sabía é que fose algo máis que iso: un fascista ilustrado cun toque clásico e postmoderno ao mesmo tempo. Velaí vai o toque clásico, como non, con aroma unamuniano a en torno al casticismo : "Soy como un toro bravo, me crezco con el castigo", espetou informalmente á comunidade xornalística, na recepción celebrada no senado con motivo da celebración do trixésimo cuarto cumpreanos da constitución. Por castigo, supoño, referirase ás reaccións coas que foi recibido o seu anteproxecto de lei, outro monstro de enxeñería sociolingüística de laboratorio saído da FAES, tan na liña do modus operandi de calquera caste de totalitarismo, clásico ou moderno: Primeiro, construír modelos mentais ideais – para nós – intelectualizados nun laboratorio. Máis tarde, vender o produto aos medios de comunicación privados afins. Primeiro, construír modelos mentais ideais – para nós – intelectualizados nun laboratorio. Máis tarde, vender o produto aos medios de comunicación privados afins Dopo di fare questo, utilizar a maquinaria de propaganda oficial da administración para facelo dixerible ao cidadán-burbulla, ese que sabemos que non se cosca de nada e a quen tanto lle da que lle sirvamos pan duro de antonte coma se fosen sardiñas frescas recén chegadas á lonxa: vaino comer igual, coma se fose o máis exquisito manxar, e incluso se molestará polas antidemocráticas arroutadas dos compañeiros que lle recordan o evidente, a saber: que iso que come é pan duro de antonte, e non sardiñas frescas. Non se estrañen de que o cidadán-burbulla responda á sensatez dos seus antidemocráticos compañeiros coa seguinte arroutada neoconservadora, isto é : Mira, meu, eu son libre de escoller comer pan duro de antonte coma se fose sardiña fresca, vale? Porque eu creo na democracia, chacho, e na liberdade de escolla, así que non me obrigues a recordar que estas sardiñas que como son pan duro de antonte. Falando claro: que a un cego é moi fácil demostrarlle que está cego, porque non pode disimulalo, mais a un tonto integral é difícil demostrarlle que é tonto de remate Mek!, primeiro problema gordo co que nos atoparemos na nosa xusta loita contra o cidadán-burbulla: lograr facerlle entender que escoller libremente precisa da capacidade crítica e a madurez intelectual suficiente para saber diferenciar a palla do gran e a propaganda dos feitos. Falando claro: que a un cego é moi fácil demostrarlle que está cego, porque non pode disimulalo, mais a un tonto integral é difícil demostrarlle que é tonto de remate, porque sempre terá recursos retóricos para saír por peteneras se sabe falar aínda que sexa incapaz de reflexionar, pensar, establecer relacións causais ou interpretar textos e estadísticas concerta precisión e lóxica. José Ignacio Wert é, así pois, esa caste de fascista feito á medida para o neoconservadurismo hispano: o suficientemente clásico como para verse a sí mesmo coma un touro bravo decidido a sufrir pola causa, e o suficientemente moderno como para agochar ese estarrecedor e casposo casticismo e, de sotaque, sorprenderte coa seguinte perla : "La comunidad educativa no puede ser democrática, porque el proceso educativo no es democrático". José Ignacio Wert acaba de inventar un xeito o suficientemente brando e aséptico para espetarnos a todos nos fociños a seguinte máxima: Non quero que as institucións educativas funcionen democraticamente e non estou disposto a mover un dedo para que iso aconteza, e punto Desta máxima pedagóxica pódense derivar as seguintes, a saber: Posto que a comunidade educativa non pode – nin debe – ser democrática, porque os feitos demostran – sic - que os procesos educativos non son democráticos, a comunidade política, económica e eclesiástica tampouco pode – nin debe - selo, posto que os seus procesos demostran – sic –que tampouco o son. Así pois, non se fale máis: José Ignacio Wert acaba de inventar un xeito o suficientemente brando e aséptico para espetarnos a todos nos fociños a seguinte máxima: Non quero que as institucións educativas funcionen democraticamente e non estou disposto a mover un dedo para que iso aconteza, e punto. Abonda, iso si, con mover ficha para que os pais de familias acomodadas que queiran fechar nun guetto concertado, hispanoparlante e nacional-católico, aos seus fillos, reciban axudas económicas da administración pública, pois, ao fin e ao cabo, a liberdade de escolla debe transmitirse tendo como fundamento práctico a autoridade biolóxica que os pais teñen sobre os procesos educativos dos seus fillos, e non as normativas públicas que, formalmente, deberían regular a práctica docente nas institucións educativas, con todo o imperfectas e humanas, demasiado humanas, que poidan ser. A estratexia ten unha lóxica práctica moi clara, clarísima: seguir construíndo espazos de socialización educativa, política e universitaria que permitan re-existir e reproducir os esquemas cognitivos e afectivos do vello racismo nacional-católico de sempre A estratexia ten unha lóxica práctica moi clara, clarísima: seguir construíndo espazos de socialización educativa, política e universitaria que permitan re-existir e reproducir os esquemas cognitivos e afectivos do vello racismo nacional-católico de sempre. Non hai máis voltas que darlle. Canto tempo levo/levamos escribindo sobre a vontade de re-existencia dos fascismos da vella Europa baixo novas formas e discursos?, e a que esperamos en Galicia, en España e en Europa para denunciar perante a corte penal internacional o seu polimorfo fascismo social? Cando esperar pode custar a vida, é necesario entender os motivos da desesperación.
NOS_685
Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística valora de maneira negativa os resultados electorais pois entende que o "escenario que se abre agora é preocupante" perante os acontecementos desenvolvidos durante a pasada lexislatura.
Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística valora os resultados electorais, após o reconto do cen por cento do voto escrutado, como "negativos para a nosa existencia como pobo diferenciado", porén salienta que "gañar as eleccións" e revalorizar a maioría absoluta --como aconteceu co Partido Popular-- "non fai que as mentiras se convertan en verdade", apelando así á xestión do goberno 'popular' nestes tres anos e medio. Aliás, Callón asegura que o Partido Popular ten agora unha profunda "responsabilidade" que afrontar perante os compromisos aos que apelou ao longo da campaña electoral. Alberto Núñez Feijóo asegurou que se gañaba as eleccións Galiza iniciaría "a senda do crecemento", polo que durante os vindeiros catro anos deberá cumprir coas súas promesas electorais --malia que a súa traxectoria apunte a todo o contrario--. "Gañar as eleccións non fai que as mentiras se convertan en verdade" Preguntámoslle ao presidente colectivo en defensa da lingua polo novo escenario que se abre após coñecérense os resultados electoria. "É un escenario preocupante", asegura Callón, pois "os camiños que se foron trazando até o de agora non levan a nada bon". Porén, di que agora fica agardar polas resolucións que emitan os tribunais a respecto da legalidade do decretazo e das valoracións que fagan públicas nas vindeiras semanas as institucións comunitarias sob a realidade lingüística galega, especialmente preocupante logo de se coñeceren os últimos datos, por exemplo, sobre o uso da lingua galega nas escolas públicas. Así as cousas, Carlos Callón non perde a esperanza nin as gañas de loitar. "Agora toca traballar na rúa porque facemos máis falta cá nunca" e di, "hai que comezar mañá".
NOS_53303
O último disco de Eliseo Parra, Cantar y batir, está gravado en pleno confinamento e feito con moita calma.
S e vostede sofre de abatemento, cre que precisa elevar o seu estado de ánimo, ou se simplemente necesita reconectar cunha ilusión esquecida, chegou o momento de escoitar a Eliseo Parra. Cantar y batir é o nome do disco que presentou a finais do ano pasado construído soamente a partir de voces e percusións. Cantar y batir / Eliseo Parra / 2020 / Doce pezas / 12,90 euros Sobran as palabras para falar de Eliseo, un dos folcloristas máis recoñecidos da península e admirado polo seu labor como divulgador de textos tradicionais. Este último disco, Cantar y batir está gravado en pleno confinamento e feito con moita calma. Nel atopamos unha paleta de cores ou de voces en harmonías fermosísimas, feitas polo propio Eliseo. Romances, seguidillas, bailes de Peñaparda… ritmos que nunca antes lle escoitaramos tocar e cantar.Hai que destacar ademais do seu labor como músico e investigador, que Eliseo é un dos poucos que conseguiu gravar na súa extensa traxectoria músicas en todas as linguas da Península Ibérica. Eu propóñovos comezar esta viaxe musical cun dos temas máis intensos do disco "Pena Parda", de case seis minutos de duración, no que se van sucedendo coplas e bailes e ritmos que nos envolven como unha néboa pero cálida. "Pena Parda" é unha magnífica revisión dunha recolleita feita por García Matos no ano 1952 e poderíamos continuar con "Maragato pato", un corrido maragato de orixe tradicional cantado no seu momento por Dolores Geijo, do val de San Lorenzo, unha aldea con son de teares. Pero neste disco, ademais dunha coidada selección de músicas tradicionais, atopamos sorpresas como "Asómate a la ventana", unha xota da provincia de Aragón e que fora cantada por Imperio Argentina nun dos seus filmes en 1935. Outra das sorpresas feita para fechar o disco é unha versión moi persoal do tema de Serrat "Mediterráneo". Poderíamos pensar que este tema está moi versionado xa, pois non, aínda faltaba a fantástica versión de Eliseo Parra, que tan só con voces e percusións consegue construír unha ilusión mediterránea realmente capaz de nos transportar a outro mundo. Por último, e só porque o espazo é limitado e non vos podo falar de todos os cortes do disco, gustaríame destacar "Aksak", a segunda peza de Cantar y batir. Esta palabra parece ser que de orixe turca, significa "coxo". "Aksak" está asociada a un tipo de ritmos que combinan compases binarios e ternarios en amálgama e forma parte da tradición de Castela. Podedes atopar o disco en todas as plataformas dixitais e sobra dicir que é unha auténtica xoia, por iso e por moitas razóns máis, escoitar a Eliseo é voltar á raíz que, cando fai falta, sempre está aí. A raíz, sempre falándonos de como seguir adiante.
NOS_13271
Anxo regresa á súa vila no interior da Galiza. Pasou a Guerra Civil e polo que se intúe, é un vencido. Debe entregar unha carta. A súa viaxe á longa noite de pedra franquista transcorre entre aparicións e sombras, entre a procesión de derrotadas e a constatación de que a nova orde tamén se impón dentro das persoas. Austero, radical, dunha beleza estática e terríbel, o segundo filme de Eloy Enciso (Meira, 1975) titúlase xustamente Longa noite (2019). O seu guión está construído a partir da literatura do exilio. Nós Diario repasa as fontes da súa arquitectura.
Máis alá do propio nome, extraído do poema -e libro- que Celso Emilio Ferreiro publicou en 1962 e que acabou convertido nun dos máis influíntes da poesía galega, o cineasta mergullouse nos autores do bando demócrata. Sete dos 11 que compoñen o roteiro son galegos. Os personaxes de Longa noite falan así por boca dos escritores, a quen deben os diálogos. Este cinema integra a literatura pero a anos luz do concepto de adaptación: intégraa como a propia materia do filmado. É talvez este o punto en que o filme de Eloy Enciso máis se aproxima cun dos seus referentes expresos, a parella de directores franceses Jean-Marie Straub e Danièle Huillet. Longa noite comeza con palabras de Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979), concretamente da súa fundamental obra de teatro de 1956, A soldadeira. Trátase dun drama histórico e popular que, ao modo brechtián, serve para debater problemas do presente. Despois, é Jenaro Marinhas del Valle (A Coruña, 1908-1999) o que adquire protagonismo no texto da película. Del Valle, un dos fundadores das Mocidades Galeguistas no tempo da República, xa constituíu o esquelete do anterior traballo de Enciso, o criticamente aclamado Arraianos (2012). Desta volta son dúas pezas teatrais, Exiliados (1986) e O peregrino (1972) as usadas. Outro desterrado foi Ramón de Valenzuela (Silleda, 1914-Sanxenxo, 1980), militante do Partido Galeguista e máis tarde, xa no exilio, do Partido Comunista. Eloy Enciso emprega o seu teatro -As bágoas do demo (1964)- e as súas imprescindíbeis entregas autobiográficas, o relato de como pasou da bando nacional, que o mobilizara á forza, ao republicano: Non agardei por ninguén (1957) e Era tempo de apandar (1980). Os contemporáneos Non só da literatura da longa noite bebe Enciso. Escritores contemporáneos axudan ao relato. É o caso de Manuel Rivas (A Coruña, 1957) e unha das súas escasas incursións no teatro, O héroe (2005). Ou de Carlos G. Reigosa (A Pastoriza, 1948) e a súa novela Intramundi (2002). Dous dramaturgos de entre os máis salientábeis das últimas décadas completan a nómina galega do guión de Longa noite, Euloxio R. Ruibal (Ordes, 1945) e Roberto Vidal Bolaño (Compostela, 1950-2002). Do primeiro inclúe A sombra do bon cabaleiro (1977) e do segundo, Ladaíñas pola morte do Meco (1977). Alén da Galiza Fóra da literatura galega, o cineasta de Meira valeuse de Guillermo Tell tiene los ojos tristes (1955), drama histórico de Alfonso Sastre (Madrid, 1926), intelectual comprometido, dramaturgo central da literatura española, comunista e próximo á esquerda abertzale. Un dos escritores exiliados por excelencia das letras españolas, Max Aub (París, 1903-México, D.F., 1972), tamén aparece con tres obras teatrais: San Juan (1943), El rapto de Europa (1946) e No (1952). Aquello sucedió así (1983) son as memorias de prisión da farmacéutica Ángeles Malonda (Gandía, Valencia, 1902-1986). Los republicanos que no se exiliaron (1969), ensaio histórico de José María Aroca Sardagna, e Los pichiciegos, a impactante parábola en forma de novela sobre a Guerra das Malvinas de Fogwill (Bos Aires, 1941-2010), son finalmente os textos que exceden a literatura do exilio republicano de entre os que conforman o guión do filme de Enciso. Longa noite -protagonizada por actores e actrices non profesionais como Misha Bies Gola ou Nuria Lestegás- estrearase en salas comerciais do Estado o 5 de decembro. Xa pasou polo Festival de Locarno, onde obtivo o premio á Mellor Dirección concedido pola crítica especializada. Estivo despois nos certames de Nova York (Estados Unidos) e Toronto (Canadá). A première no Estado español foi na sección oficial do Festival de Sevilla. Na Galiza a primeira proxección será o vindeiro 23 de novembro na mostra Cineuropa de Santiago de Compostela. Nota: cartaz de Longa noite.
PRAZA_1924
A Asociación Galega de Apicultores advirta de que a situación "empeora" en Galicia, onde o 112 recibe 70 chamadas diarias advertindo da presenza dun niño. Os expertos reclaman "máis medios e máis coordinación" e piden a Medio Rural que acorde medidas cos concellos afectados.
Horas na procura do enorme niño, finalmente atopado a vinte metros de altura, agochado entre eucaliptos e inxectado posteriormente con insecticida por medio dunha pértega á espera de acabar cos seus ocupantes. É unha xornada calquera duns veciños na loita contra a avespa velutina en Galicia. Desta vez, nunha parroquia de Ortigueira, un dos concellos máis afectados por unha praga que non se detén desde que en 2012 se avistasen os primeiros exemplares desta avéspora asiática. Unha especie que provoca a redución da biodiversidade -nomeadamente pola afectación nas abellas-, causa serios prexuízos económicos no sector apícola e froiteiro e crea riscos de picaduras en traballos forestais, así como inseguridade cidadá. A praga de avespa asiática esténdese xa por máis de cen concellos, especialmente na Mariña, o Ortegal e o Baixo Miño José, veciño ortegano e experto apicultor, colabora co Concello na "complicada" eliminación de niños, cada vez máis frecuentes e máis grandes, tanto que algún forma parte xa do museo de patrimonio e etnográfico de Ortigueira. O Ortegal, a Mariña -especialmente a zona máis occidental- e o Baixo Miño son as zonas máis afectadas por unha avespa que, segundo datos oficiais da Xunta a 23 de agosto, esténdese xa por máis de cen concellos galegos, especialmente na costa norte -de Laxe a Ribadeo- e na sur, de Sanxenxo a Tui. Hai un ano apenas superaban os 60. "É moi complicado acabar con elas porque aniñan constantemente e en zonas moi complicadas", resume este home que non hai moito acabou no hospital pola picadura dunha das avésporas. Daquela descubriur que tiña alerxia ás vespas. "A cousa vai a peor; este ano estendeuse por moitos máis lugares e van entrando río arriba". Tanto, que "xa se descubriron niños a cen quilómetros da costa", explica Xesús Asorey, secretario técnico da Asociación Galega de Apicultores (AGA), que ten en marcha a campaña Stop Vespa Velutina, consistente na realización de charlas informativas en distintas localidades e na colocación de trampas para capturar raíñas fundadoras e así evitar o maior número posible de niños para o verán. Nela colaboran varios concellos e outras entidades. A AGA calcula que se triplicou o número de avespas asiáticas e non hai menos de 2.700 niños en Galicia Segundo os datos que manexa a AGA, a praga da vespa velutina triplicouse no último ano. A Consellería de Medio Rural cifrou en máis de 1.300 os niños retirados e doutros tantos que foron avistados (uns 2.700). "Pero é seguro que haberá máis porque moitos non se ven ao estar en sitios inaccesibles ou agochados", explica Asorey. A diferenza tamén varía segundo quen dea os datos: en Oleiros, onde o concello asume a eliminación de niños, contabilizáronse cen, fronte aos 20 dos que fala a Xunta. Para se decatar da incidencia da avéspora asiática, só un dato: prodúcense 70 chamadas diarias ao 112 avisando da presenza dun niño. "De cada 70 avisos, unha media de 50 son positivos e tan só 20 refírense a vespas autóctonas e non velutinas", destacan desde a asociación de apicultores, que celebra outra reunión este mesmo venres en San Sadurniño, á que acudirán uns 50 alcaldes das provincias de Lugo e A Coruña cuxas localidades están afectadas pola velutina. O 112 recibe diariamente 70 chamados avisando da presenza de niños de avespa velutina; 50 desas chamadas están no certo Será unha máis á espera de que Medio Rural responda á AGA, que propuxo por carta unha reunión na que se inclúa o sector apícola, os concellos afectados e "todo aquel experto que poida achegar" para levar a cabo unha resposta "máis coordinada" en Galicia, comunidade autónoma máis afectada pola avespa asiática xunto ao País Vasco. "Precisamos máis coordinación e máis medios". Entre as demandas de AGA, compartidas en moitos casos polos municipios, está o de "triplicar o número de trampas e atraíntes para usar polo menos na vindeira primavera". É a época "básica" da prevención e que está baseada na experiencia de Mondoñedo, "que debe ser o único lugar en Galicia onde hai menos velutinas co ano pasado, ao capturaren moitas fundadoras na primavera". Os apicultores galegos reclaman "máis coordinación e máis medios" e esperan a resposta de Medio Rural, a quen propuxo unha xuntanza con expertos e concellos afectados Tamén piden "habilitar" uns fondos aos que poidan ter acceso os concellos afectados e que sexan estes os que realicen este servizo en colaboración cos abelleiros da zona. Neste caso, o exemlo é o Concello de Oleiros, que xa retirou cen niños pero que recoñece que "non poderá asumir este gasto el só por moito máis tempo". Ao tempo, reclámanse fondos tamén "para investigar os métodos de loita máis axeitados, como a elaboración dunha feromona específica para utilizar nas trampas. Lembra AGA que hai unha convocatoria de axudas á investigación onde pode entrar a velutina e que Francia está a piques de sacar ao mercado feromonas selectivas, un método que "será un bo paso pero que nos vai costar cartos". Os expertos piden máis medios, actuar de forma preventiva na primavera e apostar pola investigación Xa por último, AGA insiste en que "agora mesmo" o problema tamén é "de seguridade cidadá". Malia que os expertos insisten en que a avespa asiática non é máis agresiva cá do país, lembran tamén que as circunstancias fanas "moito máis perigosas": estánselles atacando os niños, polo que responden con agresividade; o número de individuos nos devanditos niños é duns 15.000, fronte aos 200 nun autóctono; e na actualidade xa hai moitos máis niños de asiáticas cás autóctonas nas áreas de colonización da invasora. "Non a imos a dar eliminado; teremos que convivir coa avespa asiática, pero debemos entre todos conseguir que cada vez teña menos incidencia", insiste Xesús Asorey, que reclama a colaboración entre administracións e a coordinación para loitar contra esta praga en Galicia.
NOS_34152
Obtería o 0,8%, porcentaxe superior ao 0,5% que logrou nos comicios de novembro de 2019.
O BNG conta cunha estimación de voto do 0,8% de se realizar agora unhas novas eleccións estatais, segundo o barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente ao mes de xullo. Este barómetro de xullo do CIS outorga un incremento dunha décima para o Bloque Nacionalista Galego respecto ao 0,7% que rexistraba o mes anterior. Igualmente, vai á alza en intención de voto directo, xa que pasa do 0,5% de xuño ao 0,8% de xullo. De feito, neste punto sitúase por riba de partidos como PNV e Pacma (0,7% en ambos os dous casos). Pola súa banda, o CIS volve situar o PSOE na cabeza, e mesmo aumenta a súa vantaxe sobre o PP a 5,2 puntos, tras a remodelación do Goberno español levada a cabo por Pedro Sánchez. En concreto, calcula para os socialistas un apoio do 28,6%, 1,2 puntos máis que o mes anterior, mentres que o PP caería medio punto, do 23,9% ao 23,4%. A distancia entre ambos crece, por tanto 5,2 puntos, fronte á de 3,5 puntos de xuño.
NOS_13031
Máis de 14.000 contratos subscritos en 2015 tiveron menos dunha semana de duración.
Máis contratos temporais e de corta duración que nunca. Iso é o que aconteceu en 2015 en Ourense, segundo denuncia o sindicato CIG, sinalando os máis de 14.000 contratos subscritos en 2015 nesa provincia e que tiveron menos dunha semana de duración. Dos 67.059 contratos formalizados ao longo do ano pasado, unicamente 4078 (o 6,35%) corresponden a contratos indefinidos "e moitos deles son a tempo parcial, a modalidade que están a potenciar o Goberno e a patronal e que constitúe unha bolsa de fraude", di a central nacionalista. .A duración dos 64.197 contratos temporais rexistrados amosa que a súa duración é cada vez menor: 14.681 tiveron unha duración de menos dunha semana, 7082 dunha semana a un mes, e 14.059 dun a seis meses. Dende a CIG-Ourense sosteñen que estas estatísticas constatan "o empobrecemento da clase traballadora e a inestabilidade no emprego" así como "as nefastas consecuencias das últimas reformas laborais que provocan unha multiplicación da precariedade con elevada temporalidade e rotación de emprego e con masivos contratos de horas e días".
NOS_33153
O PPdeG tomba unha petición do BNG para que o presidente galego compareza na Cámara.
O BNG, perante a reunión que mantiveron hoxe os membros da Deputación Permanente do Parlamento, instou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a comparecer nun Pleno extraordinario para dar conta das medidas adoptadas para combater a terceira onda da Covid-19, o plan de vacinación e as compensacións para os sectores máis afectados. Con todo, o voto en contra das representantes do Partido Popular impediu que esta iniciativa saíase adiante. "Ninguén na Galiza entende que o presidente non acuda ao Parlamento nunha situación de extrema gravidade", lamentou o viceportavoz da formación nacionalista, Manuel Lourenzo. O deputado pediu as populares que non continúen "vetando" a rendición de contas de Núñez Feixoo ante os grupos da oposición, e botou en falta a celebración de debates "nos organismos regulados" sobre a evolución da pandemia. Así mesmo, urxiu o mandatario galego a ofrecer "información transparente" ante a "incerteza" provocada pola aprobación das novas medidas que entraron en vigor esta madrugada: "Como é posíbel que no mesmo DOG sexan implementadas polo Goberno medidas que non contemplan alternativas para paliar os efectos das restricións?", cuestionou. Lourenzo pediu ás demais deputadas un "Parlamento activo e implicado" para facer fronte á crise sanitaria, e instou a adoptar unha postura unánime para "arrimar o ombreiro" e "estar á altura deste momento histórico". Por outra banda, o viceportavoz do BNG salientou a necesidade de "reforzar" os servizos de Atención Primaria, incrementar os rastrexos, realizar cribados masivos nos concellos máis afectados e, principalmente, "un plan de vacinación de medios e persoal". O PP escúdase nunha "cuestión de prazos" O portavoz da bancada popular no Parlamento, Pedro Puy, defendeu a negativa da súa formación a solicitar a comparecencia de Núñez Feixoo por "unha cuestión técnica e de prazos", ao que Lourenzo respondeu propondo unha segunda reunión da Deputación Permanente para debater a pertinencia dun Pleno extraordinario. Así mesmo, Puy argumentou que o Goberno galego xa promoveu a comparecencia que terá lugar esta mañá na Comisión 5ª da Cámara por parte da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán: "Vén informar sobre a campaña de vacinación", expuxo.
NOS_1454
Desde a súa constitución hai pouco máis dun mes, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convocou concentracións simultáneas en varias localidades do País e peches rotatorios nos IES. A comunidade educativa rexeita o RD 14/2012 por invadir competencias da consellaría de Educación
Máis de 3.000 persoas fixeron parte das distintas accións convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que nesta cuarta, pouco máis dun mes despois de se constituíren, fixeron pública a primeira valoración da súa actividade. En palabras do voceiro, Xoan Costa, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), "quixemos dar unha mostra de forza na rúa nun contexto de recortes no público", mostra que concluirá, de momento, o vindeiro domingo, 3 de xuño, nunha mobilización nacional a prol da Sanidade pública á que se uniu esta Plataforma, alén de Mira por elas!, creada para a defensa dos medios de comunicación públicos. Desde as concentracións simultáneas realizadas o 8 de maio en distintas localidades do País até a cadea de peches rotatorios iniciada o 14 en Compostela e que rematará en Ourense o 1 de xuño, todas as accións convocadas pola Plataforma teñen un obxectivo común: oporse a unha norma, o RD-lei 14/2012, que invade competencias transferidas a Galiza, polo que instan o Goberno galego a que non o aplique e apele perante o Tribunal Constitucional. Pese á masiva resposta que tiveron todas as convocatorias nesta liña, "semella que a Xunta non ten previsto recorrelo", fronte ao disposto nalgunhas comunidades do Estado, que si tratarán de botar abaixo este texto pola vía xudicial. A denuncia do colectivo --no que se integran, alén da AS-PG, asociacións de nais e pais do alumnado galego, CIG-Ensino, Liga Estudantil, Galiza Nova, BNG, Comités e Sindicato de Estudantes-- céntrase na invasión de competencias que supón a norma española, caendo "no ridículo" de regular até o horario de traballo do profesorado e dispondo a maneira de cubrir as baixas do persoal docente. Así, promoveuse o rexeitamento ao RD 14/2012 nos Concellos visitados cos peches rotatorios e o grupo parlamentar do BNG levou unha iniciativa ao Parlamento galego. "Feijóo di que a suba das taxas será distinta na Galiza, mais iso non ten nada que ver con que non sexa importante. Tamén son distintas as condicións de vida e as condicións salariais", dixo Costa, lembrando que, segundo a letra do decreto, a suba no prezo das matrículas pode chegar até o 66%. Na liña, nin a Plataforma nin ningunha das entidades que dela fan parte poderían presentar un recurso contra a norma. Só podería ser recorrido polo Parlamento galego, polo Valedor do Pobo ou por 50 deputad@s no Congreso. Por isto, o presidente da AS-PG informou de conversas co PSOE e co BNG encamiñadas a procurar apoio na Cámara galega, e foi entón cando souberon que "a Xunta non ten previsto recorrelo". Por conseguinte, o Goberno galego desoe "o rexeitamento que as súas políticas están a espertar" entre a comunidade educativa e entre a cidadanía en xeral, un rexeitamento que pode cuantificarse: 2.000 persoas estiveron nas concentracións da Plataforma o 8 de Maio; cando os encerros rematen calcúlase que polo menos 1.000 persoas terán pasado por algún dos centros de ensino; e máis de 10.000 persoas secundaron nas rúas da Galiza a folga xeral do 10 de Maio.
NOS_54460
Organizada por Galiza Nova, a iniciativa é un apoio ao pobo catalán ao tempo que unha denuncia da actitude "antidemocrática" do Estado español. En Ribeira o concello denegou o permiso para o acto.
Continúan a se suceder en Galiza actos e iniciativas en apoio ao refrendo do 1-O e do dereito á autodeterminación do pobo catalán. Na tarde desta sexta feira, decorren en 9 cidades e vilas galegas referendos simbólicos organizados por Galiza Nova. "Unha votación simbólica para amosar apoio á convocatoria de referendo deste domingo en Catalunya e ao mesmo tempo reivindicar os dereitos de Galiza como nación e o seu dereito á autodeterminación", informa as mocidades do BNG nun comunicado. Mais estas consultas queren, tamén, ser un "prostesta" e un acto de "defensa das liberdades democráticas" fronte á "actitude ditatorial, violenta e antidemocrática coa que está actuando o estado español". Os lugares onde .se realiza a votación son Pontevedra, Compostela, Vigo, A Coruña, Ferrol, Lugo, Moaña e Allariz. En Ribeira, o concello denegou permiso para ester acto, segundo denuncian desde GN e BNG da localidade barbanzá, no que é a segunda negativa do consistorio a unha iniciativa sobre o referendo catalán. "Quere que Galiza sexa un estado independente en forma de república?". Esta era a pregunta que figuraba na papeleta de votación, a imitación da que este domingo se votará en Catalunya
NOS_33638
Consideran que as medidas ditadas en Madrid foron trasladadas a Galiza "submisamente" por Feijóo e piden que non se apliquen
Delegados e delegadas de CIG-Saúde concentráronse diante do edificio do Sergas, en Compostela, para reclamar a retirada do decreto aprobado polo PP en Madrid e trasladado por Feijóo "submisamente" a Galiza. Un decreto que, denuncian, pon en perigo o modelo sanitario público, gratuíto e universal e que terá consecuencias negativas tanto para o persoal como para as usuarias e usuarios. Na mesa abordáronse os recortes en sanidade e como afectarán estes ás condicións laborais do persoal; a OPE para 2012, só para facultativ@s e Especialistas; as instrucións para a aplicación da lei de Medidas en canto ao pagamento das Incapacidades Temporais --IT-- e a plataforma loxística, que implica a privatización de postos de traballo en áreas como subministros ou farmacia. Así as cousas, CIG-Saúde reclamou a retirada do Real decreto-Lei por considerar que "usurpa competencias exclusivas" do Goberno galego. "Pretende rematar co modelo de Sanidade Pública universal e gratuíta" explicou a secretaria nacional da federación, María Xosé Abuín, quen denunciou que unha vez que se aplique tamén "empeorará gravemente" as condicións de traballo do cadro de persoal. Para a secretaria nacional tamén é "especialmente grave" que se elimine a capacidade de negociación da Mesa Sectorial e que a convocatoria da OPE se cinga exclusivamente a facultativ@s e especialistas. "Teñen que presentar unha convocatoria para cubrir o 100% das prazas, porque do contrario, ao ser insuficiente o persoal verase resentida a calidade da atención". Xunto a iso, CIG-Saúde reclamou a recuperación do complemento retributivo até o 100% en Incapacidade Temporal e, aínda que manifestou o seu acordo coa centralización de compras para abaratar custos, rexeitou que esta se faga pola vía de privatizar os postos de traballo. Abuín lembra ademais que o SERGAS se comprometera a negociar na mesa sectorial as instrucións e adaptalas á realidade do sistema sanitario galego, moi diferenciado do resto da función pública. Porén, lamenta que "non se saíron do guión que traían e foron rexeitando todas as alegacións presentadas". En concreto, CIG-Saúde presentou na Mesa Sectorial alegacións para que se regule o permiso do persoal para acudir a consulta médica ou para realizar probas diagnósticas consideradas non invasivas; para que a regularización das nóminas, en caso de IT se faga a mes vencido e non como están facendo agora, que preventivamente aplican un desconto das retribucións superior ao que corresponde; que se puidera negociar a posibilidade de descontar da xornada, como día non traballado, a ausencia dun día de traballo por causa de enfermidade, antes de proceder ao desconto da nómina ou a ampliación a e días de prazo a posibilidade de xustificar, con certificado médico, sen mediar parte de IT.
NOS_32537
As agricultoras de cultivos para o autoconsumo poderán desprazarse para atendelos sempre que se atopen a menos de 500 metros das súas residencias habituais.
O Diario Oficial da Galiza inclúe hoxe unha serie de normas emitidas pola Consellaría de Medio Rural que regulan varias actividades do sector primario. Entre elas, a Xunta prohibe a venda de produtos agrícolas e gandeiros nos mercados tradicionais até o 31 de marzo. Unha medida criticada polos sindicatos do sector, FRUGA, Sindicato Labrego Galego e Unións Agrarias, reclamando que prexudica ás pequenas produtoras. En troques, Medio Rural propón fomentar medios alternativos, como a venda telefónica, que xa puxeron en marcha, por exemplo, as labregas en ecolóxico da comarca de Compostela.Cando se levante a prohibición, segundo a publicación do DOG, a venda directa "limitarase única e exclusivamente a produtos agrícolas e gandeiros do sector de alimentación e produtos perecedoiros". A Consellaría tamén indica que aquelas gandeiras ou agricultoras dadas de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias da Galiza (Reaga) poderán continuar con normalidade as súas actividades profesionais, incluíndo os desprazamentos precisos para o mantemento dos cultivos ou das viñas. As viticultoras poderán acreditarse amosando o carné de manipulación de produtos fitosanitarios. Cultivos de autoconsumo Quen cultive unha horta ou viñas sen fins comerciais poderá realizar os desprazamentos imprescindíbeis para o seu mantemento e atención, sempre e cando a distancia dos cultivos non sexa superior aos 500 metros respecto á vivenda habitual. Medio Rural salienta que non poderán traballar máis de dúas persoas na mesma leira e que estas deberán gardar as distancias de seguridade e outros protocolos de prevención. O DOG non recolle as medidas relativas ao coidado de gando para o autoconsumo. En canto á acreditación para poder trasladarse aos cultivos, estas produtoras poden acreditarse presentando o carné de aplicación ou manipulación de produtos fitosanitarios e, no caso de quen cultive viñas, a tarxeta de rexistro dispensada polo consello regulador da denominación de orixe.
NOS_25077
Felipe-Senén López Gómez protagoniza este documental de Nós Diario producido arredor do coleccionábel Confín dos verdes castros e valeroso clan! que trata sobre a historia e cultura dos castros da Galiza.
Desde o Castro de San Cibrao das Las, un dos máis grandes xacementos na Galiza, o museólogo Felipe-Senén López Gómez explica como eran estes "antigos hábitats" e como evolucionaron co paso do tempo, destacando o seu valor cultural, identificador e diferenciábel. Con motivo do coleccionábel Confín dos verdes castros e valeroso clan! que acompaña Nós Diario de terza a sexta feira durante o mes de xuño, achégase este audiovisual para coñecer máis de perto o pasado e afondar na historia do país. Destácase neste audiovisual o papel da museoloxía e a arqueoloxía como ciencias que permiten o acceso ao coñecemento destes asentamentos. Aliás, Felipe-Senén afonda nos elementos atopados nestas escavacións como os trisqueles ou as rosáceas, cargados dunha fonda simboloxía e vencellados cos ritos e lendas prerrománicas, especialmente de carácter funerario. Nesta liña, destácanse tamén as artes e técnicas de produción de artefactos e obxectos como elementos característicos da cultura castrexa. Esta publicación pretende dar conta dos distintos elementos que constrúen os trazos esenciais da nosa orixe como pobo, as pegadas que deixaron os nosos devanceiros sobre as terras que hoxe pisamos. Saliéntase especialmente o vencello da terra coa natureza, a produción manufactureira, a ideación de máxicos relatos que perduran até os nosos días como vellas lendas que se foron, como as pedras encaixadas na paisaxe, deformando e transformando co paso dos anos. En definitiva, resáltase a importancia da cultura céltica nas orixes da Galiza, procurando unha concienciación respecto do coñecemento, exploración, conservación e mantemento destes castros espallados alén do territorio galego.
PRAZA_16631
A dirección da formación traslada ao Consello, o seu máximo órgano, a "petición de asunción responsabilidades políticas" de Paula Quinteiro, que pediu "desculpas" polo acontecido Feijóo evita pronunciarse sobre as peticións de dimisión de Quinteiro e Cifuentes
Feijóo evita pronunciarse sobre as peticións de dimisión de Quinteiro e Cifuentes O Consello das Mareas, máximo órgano de En Marea como partido instrumental, terá que resolver sobre a petición formal de dimisión á deputada Paula Quinteiro. A coordinadora, dirección ordinaria da organización encabezada polo seu voceiro, Luís Villares, tomou no serán deste xoves a decisión de "trasladar" esa "petición de asunción de responsabilidades políticas" despois de que Quinteiro decidise non dimitir pola súa implicación, apasada fin de semana en Santiago, nun altercado durante unha identificación da Policía Local por suposto vandalismo. Segundo o atestado policial revelado o pasado martes pola axencia Europa Press e La Voz de Galicia, Quinteiro tentou dificultar a identificación por parte da policía local dun home que a acompañaba, presuntamente implicado na rotura de varios espellos de vehículos estacionados nunha rúa do Ensanche compostelán. A parlamentaria, no entanto, defende que só tentou "mediar" no conflito suscitado pola identificación. Ese, mantivo, foi o motivo que a levou a amosar a súa credencial como membro do Parlamento durante o incidente. Esa mesma intención de "mediar" foi a aludida por Quinteiro no serán deste mércores tras unha xuntanza dunhas dúas horas do grupo parlamentario de En Marea a respecto da situación. Tras ese encontro a parlamentaria pediu "desculpas" ás persoas que "puidesen sentirse ofendidas" polo acontecido, ao tempo que subliñou nunha declaración aos medios que en ningún momento "avalou" ou participou en actos vandálicos, o cal poderá "quedar probado". En calquera caso, advertiu a tamén integrante de Podemos, trátase dun episodio "persoal" que o PP está a utilizar para "condenar o conxunto do grupo" de En Marea. Quinteiro pediu "desculpas" tras unha longa xuntanza do grupo parlamentario de En Marea e a coordinadora agradece a súa "boa vontade", se ben considerou necesaria seguir adiante coa "petición de dimisión" como deputada Unha vez concluída esa xuntanza do grupo parlamentario, na que fontes parlamentarias chegaron a dar por feito que se produciría a dimisión, a coordinadora que se reunía de xeito paralelo -trátase de órganos diferentes- "agradeceu" a "boa vontade" de Quinteiro por "pedir desculpas", se ben continuou a considerar necesaria que deixe a súa acta de deputada. Esa "petición de dimisión" é un asunto que "debe trasladarse aos órganos de dirección do espazo político", sinalan dende a coordinadora, que aclara ademais que "con carácter previo ao Consello", Quinteiro terá a posibilidade de "exercer o seu dereito á defensa" nos órganos internos. "Se eu fose Paula Quinteiro, dimitiría", di Beiras, quen reflexiona tamén sobre a necesidade de "utilizar a mesma vara de medir para todo o mundo" Nun sentido semellante un dos membros máis destacados do Consello das Mareas, Xosé Manuel Beiras, manifestaba este xoves o seu apoio á petición de dimisión. No marco dunha entrevista na Radio Galega o histórico dirixente considerou que Quinteiro "deixou de actuar como corresponde a unha persoa que representa á xente máis agredida", que tras o sucedido "o primeiro que tiña que facer foi o que fixo despois, pedir desculpas aos electores, a toda a militancia de En Marea e á Policía municipal, que estaba facendo o que debía facer". "Se eu fose Paula Quinteiro, dimitiría", conclúe Beiras, quen non obstante reflexiona tamén sobre a necesidade de "utilizar a mesma vara de medir para todo o mundo": "hai altos cargos da Xunta incriminados por homicidio" no caso da hepatite e "a Xunta deféndeos ata última hora", exemplifica. En todo caso, reflexiona, "a esquerda ten que dar exemplo e practicar unha ética irreprochable". No caso de que Paula Quinteiro chegase a deixar o seu escano sería a quenda do seguinte integrante da lista pontevedresa de En Marea nas eleccións galegas de 2016, Xoán Hermida, un dos dirixentes de Marea Pontevedra. Se a organización optase por manter o equilibrio entre homes e mulleres no seo do grupo cabería a posibilidade de que chegase á Cámara a sétima integrante da lista, Julia Torregrosa, ligada a Podemos.
PRAZA_12645
O popular marcha porque Compostela "non merece un alcalde" na súa situación e sen que Feijóo llo pedise, asegura. Ángel Currás imponse na pugna interna pola sucesión.
Partiu. Os 291.000 euros de IVE cos que pagou débedas da súa empresa e algo máis dunha semana de presión mediática e política puxeron fin este luns aos 290 días de Gerardo Conde Roa como alcalde de Santiago na xornada en que o xuíz Vázquez Taín ratificou a súa imputación. De novo ante unha sala de prensa ateigada de xornalistas pero cunha posta en escena sensiblemente menos espectacular que sete días antes -non houbo presentación en vídeo, nin metáforas taurinas, nin apenas sorrisos- o rexedor popular anunciou a decisión que xa saltara á luz pública un día antes. Marchar é "o mellor para a miña familia", "beneficia ao meu partido" e, sobre todo, "á cidade á que amo", argumenta. Podería "resistir" pero Santiago "non merece un alcalde que estea na situación na que estou" porque "vale o que non está escrito". Aínda que el, matiza, marche "limpo" da vida pública". Non sente Conde Roa "rancor" cara aos xornalistas que destaparon a súa presunta fraude, como tampouco sentiu "presión insoportable" ningunha de "ningún cargo" do PPdeG, asegura. "Os tempos márcoos eu, non mos marcan", asegura, e por iso "en ningún momento o presidente da Xunta me pediu a dimisión". "Esa é a verdade con maiúsculas" dunha situación na que Alberto Núñez Feijóo se limitou a "entender perfectamente" a marcha. Dende a defensa da propia "inocencia", que comezará cun recurso contra o auto de imputación, o compostelán basea a dimisión en que Santiago "é un Concello distinto ao que poidan ser todos". "Somos a capital de Galicia e aquí hai que dar un nivel". Conde Roa marcha porque Santiago "non merece un alcalde" nas súas circunstancias e sen que Feijóo llo pedise, asegura Ante todos os seus concelleiros, algún con bágoas nos ollos, e en presenza da súa muller Conde Roa explicou que "noutras cidades pode ser entendible que exista un alcalde nestas circunstancias", asegura, nunha afirmación non exenta de dardos dialécticos para socialistas e nacionalistas e enmarcada na estratexia argumental seguida polo PP dende hai días: equiparar este caso con outros existentes noutras latitudes partidarias e especialmente con un, o do lugués Xosé López Orozco, imputado no marco do caso Campeón polas acusacións do presunto líder da trama, Jorge Dorribo. E é que para o breve alcalde de Santiago "o máis patético que houbo neste proceso foi o comportamento da oposición". Non comprende que "levanten a súa voz" quen ten nas súas filas "outros cargos públicos por Galicia adiante" nunha situación procesual que, na súa opinión, é semellante. "O PP aquí marca un nivel de esixencia alto na vida pública, eu espero que tomen boa nota aqueles que estean nunha posición semellante á que eu me atopo". Currás imponse na batalla sucesoria Neste contexto, Conde Roa dimite como alcalde e fará o propio como concelleiro tras o pleno da sucesión, este mesmo martes. "A vida política é así", explica, para reafirmar que a súa retirada será total para ser coherente co seu espírito deportivo". "Eu subín xa uns cantos oito miles e volvo estar ao pé da montaña". E, a quen lle corresponderá a honra de ocupar, o posto "máis importante despois de ser Papa", segundo describe Conde Roa citando a Manuel Fraga? Despois da intensa negociación do domingo o agraciado parece ser Ángel Currás, ata agora tenente de alcalde e concelleiro de Cultura. Semella, polo tanto, que perde a batalla Paula Padro, número dous nas municipais e preferida pola dirección autonómica do partido pero non polos seus compañeiros de goberno local para unha operación que, ademais, motivaría un complicado movemento no grupo do PPdeG no Parlamento. O cómico Leo Bassi, por quen Conde Roa dixo sentir "especial repugnancia", agardaba polo alcalde no Obradoiro Igual que na propia dimisión Conde Roa asegura que a man de Feijóo tampouco tocou a operación sucesoria, como tampouco o fixo a súa propia. Por iso ambos se "retiraron" da xuntanza do domingo, asegura, para que os edís decidisen en "liberdade" . Tocaralle polo tanto ao ex xerente da Cidade da Cultura poñerse á fronte dun consistorio que nos últimos nove meses abandonou a súa tranquilidade e case pracidez política habitual para ocupar máis titulares dos que os composteláns desexarían. A xeito de síntese deste período podería ser situado o carácter multitudinario da comparecencia de despedida do alcalde, a presenza na mesma do seu escolta e, aínda máis, o feito de que no exterior do Pazo de Raxoi, en plena praza do Obradoiro, estivese a agardar pola saída de Conde Roa o cómico Leo Bassi, por quen o dimisionario declarou sentir "especial repugnancia". Vestido con traxe negro erixiu o popular en vítima mentres amosaba un cartel coa lenda "veni, vidi, vici". Algún dos edís que continúan no Concello deixou escapar cualificativos malsoantes contra o bufón ao cruzar o Obradoiro e decatarse da súa presenza. Pero fíxoo polo baixo.
NOS_2695
A Manu Chao no festival Reperkusión de Ourense téñeno xa como da familia. Por terceiro ano consecutivo participará no festival cun concerto que terá lugar o sábado, acompañado de amigos como Fermín Muguruza.
Na noite do sábado, o artista franco-galego Manu Chao volverá ao escenario do Festival Reperkusión por terceiro ano consecutivo. Será na XII edición na que estará acompañado dalgunhas potentes amistades como Fermín Muguruza. Desde a organización anuncian sorpresas e nomes que aínda non se anunciaron mais propostas non faltan nun programa no que, na xornada do sábado, ademais de Chan actuarán , Orbitaliña, Crasa, Dirate Honres, Daniel Láncea, Carambo, Paralácticos ou Ioga da risa. Obradoiros e outras actividades iniciarán xa de mañá a festa en Emposta que terá, sen dúbida, o seu momento estelar cando Ma nu Chan suba con Pescada ao escenario do festival por volta de media noite, despois de que Daniel Láncea e Barcelona Satúrete Orquestra animen ao público e os Terbutalina ofrezan o seu garage-punk nun festival que se consolidou como cita de referencia da música na Galiza. A noite despedidase co dj Hadri Hache, mais antes haberá tempo para escoitar a Dirty Honkers, unha proposta para que o baile teña tamén presenza nas novas xeracións. Programa do Festival Sábado 12 12h00 Obradoiro de Malabares. No Domo 13h00 Sesión de Ioga da risa. No Domo 14h00 Obradoiro de Percusión Africana. Polas rúas de Bemposta 16h00 Djolé Djembé Booma. Polas rúas de Bemposta 17h30 Kuarembó. No Escenario de Día 18h00 Supergalácticos. No Domo 18h30 Empolada – Con Leo Arremecághona. Polas rúas de Bemposta 19h30 Troupe Sky. No Domo 20h00 Crassh. Polas rúas de Bemposta No Escenario Principal (Con entrada) 21h30 Daniel Lança & Barcelona Street Orkestra 23h00 Terbutalina 00h30 Manu Chao La Ventura 03h00 Dirty Honkers 05h00 Hadri Hache + Amigos. Na Carpa Dance Domingo 13 12h00 Obradoiro de Malabares. No Domo 13h00 Sesión de Ioga da risa. No Domo 14h00 Percusión Africana. Polas rúas de Bemposta 16h00 Olimpiada de Malabares. Polas rúas de Bemposta 18h00 Curioso Periplo. No Escenario de Día 19h00 Colectivo Bomba. No Escenario de Día 20h30 Los Bichis. No Escenario de Día 22h00 Retransmisión da final do Mundial de Fútbol. No Domo 00h00 La Banda de Andrelo. No Escenario de Día 01h30 Hadri Dj. No Escenario de Día
PRAZA_3378
O presidente insiste en negar que o ex-director da petroleira detido en Málaga estea a ser investigado pola compra de Barreras, operación na que pescudan ata catro organismos en México
O presidente insiste en negar que o ex-director da petroleira detido en Málaga estea a ser investigado pola compra de Barreras, operación na que pescudan ata catro organismos en México"Se teño que comparecer por iso, sería unha falta de respecto ao Parlamento de Galicia". Así rexeitou este xoves o presidente Feijóo comparecer no Parlamento, como vén de pedir de xeito unánime e con urxencia toda a oposición, para dar explicacións das súas xestións para o desembarco de Pemex en Galicia, operación que está a ser investigada por varias institucións mexicanas, entre elas a Fiscalía, o Tribunal de Contas e a propia petroleira.Feijóo teima en reducir as investigacións a Lozoya a "unha cuestión de Brasil", en referencia ao caso Odebrecht, a maior trama de corrupción do continente americanoNa rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves Feijóo foi preguntado polas investigacións sobre Pemex por ata catro medios de comunicación distintos, aos que Feijóo respondeu considerando o caso "unha cuestión máis da campaña electoral". O presidente volveu negar que o ex-director de Pemex Emilio Lozoya, detido hai unha semana en Málaga, participase nos acordos coa Xunta, que atribuíu ao seu antecesor, e mesmo que estea a ser investigado polos negocios da petroleira en Galicia. Segundo Feijóo, Lozoya está "chamado á xustiza por unha cuestión de Brasil".Pero esa "cuestión", o caso Odebrecht, a maior trama de corrupción do continente americano, é só unha das investigacións que Lozoya ten abertas en México. Tamén está en cuestión a compra de Barreras por parte de Pemex xa baixo o seu mandato, cando a Xunta presentou a operación como froito das súas propias xestións. Ese feito foille lembrado este xoves a Feijóo, que o obviou."De verdade a xente cre que isto pode ter algunha relevancia?", di Feijóo, tras ser preguntado por ata catro medios distintosSe na primeira pregunta que se lle formulou sobre a petición de comparecencia no Parlamento formulada pola oposición o presidente respondeu atribuíndoa á campaña xudicial, na segunda pregunta insistindo sobre se vai ir á Cámara ou non foi cando considerou que iso sería "unha falta de respecto". Ante a súa negativa a recoñecer que o propio Goberno galego publicitou as súas negociacións con Lozoya, Feijóo foi cuestionado directamente sobre se coñece a esa persoa. "Cada vez que falo cun directivo ou un dirixente dun país que poida ter problemas coa xustiza, o responsable son eu?", dixo. "De verdade a xente cre que isto pode ter algunha relevancia?", concluíu.O feito é que, tal e como confirman a Praza.gal fontes mexicanas coñecedoras do proceso aberto, son ata catro os organismos que investigan na actualidade a compra por parte de Pemex do estaleiro Barreras: a propia petroleira estatal, a Unidad de Inteligencia Financiera (equivalente á UDEF en España), a Secretaría de la Función Pública (SFP) do Goberno de México e a Fiscalía General de la República, que xa advertira hai días de que as pescudas sobre Lozoya incluían os negocios que impulsou en Galicia durante a súa etapa na empresa de hidrocarburos. O propio fiscal xeral sinalou o agora encarcerado como "símbolo" da corrupción do Goberno de Peña Nieto.
NOS_20364
A dirección política de CiU acordou esta segunda feira presentarse ás eleccións ao Parlamento europeo xunto co PNV, CxG e Coalición Canaria.
Así o anunciou o secretario xeral de Unió Josep Maria Pelegrí após a xuntanza da federación nacionalista. A decisión, que fixo pública o diario catalán Ara, tivo lugar após coñecerse que as negociacións entre ERC e CiU para conformaren unha candidatura conxunta alicerzada no dereito a decidir non chegaron a bo porto. Desta maneira, PNV e CiU repetirán coligación como xa acontecera en 2009, listaxe á que se sumarán Coalición Canaria e Compromiso por Galicia. @s galeguistas acordárono así esta fin de semana nunha Convención nacioal electoral na que a organización liderada por Xoan Bascuas aprobou por maioría presentarse coa formación jetzale. Embora perto dun 30% da militancia apostase pola conformación dunha candidatura en solitario, CxG candidatarase na coligación conservadora.
NOS_50939
Moitos concellos da Galiza aínda non se pronunciaron, mais tamén hai os que -seguindo a liña marcada en localidades como Alicante- alertan de que haberá sardiñadas pero non cacharelas nin acceso ás praias.
Unha boa parte da mocidade galega leva semanas planificando a celebración de San Xoán agardando que a rebaixa nas restricións por parte da Xunta da Galiza permitira volver a gozar das luminarias e da festa como se facía antes de convivir cunha pandemia mundial. No entanto, a realidade non será esa ou, polo menos, non o será en todo o país. A maioría dos concellos galegos aínda non se pronunciaron sobre o que vai estar permitido ou non pero outros seguen a liña da suspensión das celebracións como xa anunciara outro punto da xeografía do Estado español moi ligado a esta festa: Alicante. Hoxe mesmo a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou que por segundo ano consecutivo as praias coruñesas quedarán sen fogueiras malia o interese internacional da celebración e o gran número de persoas que mobilizada até a cidade, co conseguinte gasto na hostalaría, nos supermercados e noutros servizos. Haberá permiso para facer sardiñadas e churrascadas, pero estas serán de capacidade máis reducida e quedarán circunscritas aos barrios. Non haberá rúas fechadas para eventos nin concertos e lugares como Riazor, As Lapas ou o Orzán serán desaloxados ás 21 horas e fechados. "Será unha festa de inicio do verán onde a xente poderá gozar, sempre mantendo as distancias de seguridade", comentou, aludindo tamén ao control das aglomeracións. Rey xustificou a decisión porque, malia que "xa non estamos en estado de alarma e os datos invitan ao optimismo, a crise sanitaria da Covid-19 persiste". Así insistiu en que hai que tomar este tipo de decisións para "non dar marcha atrás" na loita contra a pandemia. É probábel que outros municipios da Galiza comuniquen as súas normas para esa noite nas próximas semanas.
NOS_7897
Baltar descarta "de momento" o pacto co PSOE
O BNG de Castrelo de Miño reclamou onte "contudencia" ao PSOE para frear a "cada vez máis probábel" moción de censura que quitaría da Alcaldía o nacionalista Esteban Suárez. Nun comunicado, o BNG ve con preocupación que se poida pór fin ao Goberno que "escolleu" o voto da veciñanza e que pase a mans do PP. Lembra que o voto de BNG e PSOE suma 61%, moi por riba do 33,5% do PP. As tres forzas políticas contan con tres edís cada unha. Foi a forza nacionalista quen obtivo un maior apoio. "Estamos ás portas dunhas eleccións galegas que poden ser históricas e o resultado da circunscrición de Ourense será o que decida se desaloxamos ou non a Núñez Feixoo da Xunta da Galiza", reflexiona o BNG, que insta o PSOE e o seu candidato aos comicios do 12 de xullo, Gonzalo Caballero, a expulsar de maneira inmediata os dous concelleiros, así como a aplicar a Lei antitransfuguismo. "De non facelo, estarán de acordo coa moción de censura en contra do BNG. As desculpas esgrimidas polos tránsfugas para irse do PSOE non son críbeis, máis ben son sacadas do gabinete de comunicación do PP de Ourense", engade. Baltar culpa a González Afonso O presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, descartou "polo de agora" a moción de censura após a baixa de dous edís socialistas. Indica que o PP está centrado nas eleccións galegas. Baltar xustificou a baixa dos dous edís do PSOE pola "actitude do secretario provincial e subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, de ir contra as axudas directas a autónomos e pemes outorgadas pola Deputación de Ourense", institución na que o propio Baltar é presidente a cambio de ceder o PP a Alcaldía da cidade das burgas a Democracia Ourensá.
NOS_21146
Nun dos veráns máis cálidos dos últimos anos achegámonos ás beiras do río Lor para levar mellor as altas temperaturas.
Coa imaxe dos montes do Courel ardidos aínda na retina... puidemos comprobar a función de cortalumes que exerceron os cursos fluviais. O río Lor, Saa, Lóuzara, Pequeno e outros tantos ao longo de todo o país serviron unha vez máis para deter o avance do lume. Ademais diso tamén son quen de axudarnos a levar mellor a calor do verán. Ríos multifuncionais. Nalgúns libros de texto defínese a verba río como "corrente natural de auga que flúe permanentemente e que vai dar a outra ou ao mar". Non imos meternos en fonduras, pero estaría ben aclarar algúns conceptos fluviais. Un deles é que os ríos non só levan auga, tamén arrastran areas e sedimentos, vitais para manter a dinámica fluvial e os areais das costas. Ou que algúns ríos galegos de montaña chegando o verán deixan de fluír, xa non levan auga e seguen a ser ríos. Cuestións a tratar noutro momento. Hoxe ímonos dedicar a gozar da sombra do río Lor. Pois ben, outra das cuestións que definen un río é o seu bosque de ribeira. Sen o conxunto de árbores formado polas diferentes especies que medran nas súas marxes, o río non sería tal. Tal vez unha canle. Pero unha canle non é un río, aínda que ás veces se empregue como sinónimo. Lembrar que a RAG define canle como "Leito artificial construído para conducir a auga de dimensións variábeis". No ecosistema fluvial cada peza é parte do todo, dálle forma ao conxunto. E, se reparamos no conxunto da foresta situada á beira do río, podemos comprobar que a meirande parte son árbores caducifolias. Especies que perden as follas durante o inverno e se cobren delas no verán. O seu papel é fundamental. As árbores espidas durante os meses máis fríos permiten que chegue o sol até o río, incidindo os raios do astro rei sobre a auga e impedindo que esta se conxele. A cuberta vexetal sobre a auga ten no verán a función contraria, evitar que os raios solares cheguen até a auga e queza demasiado reducindo a evaporación. Microclima ribeirego O resultado é un microclima ribeirego que variará en función de factores como a temperatura, a humidade ou a luz. Factores que sumados á altura da vexetación ou á fondura e anchura do río, orientación do sol, dará lugar a microclimas variados e peculiares pero onde sempre dominará unha humidade maior á da súa contorna e polo tanto con maior capacidade de deter un incendio que o maior dos cortalumes. O río Lor E chegamos ao río Lor de Uxío Novoneira, afluente do río Sil que nace en Pedrafita do Cebreiro, atravesando os montes do Courel de norte a sur para logo de cincuenta e catro quilómetros, deitar as súas augas ao Sil en Augas Mestas, no concello de Quiroga. Río, por certo, ideal para descubrir e pór en práctica outros dous valores ecosistémicos do río, tanto o estético como o recreativo. Sombra do Lor Se tombarse, nadar ou sentar a ler á beira do río é unha práctica recomendábel en calquera verán, coa vaga de calor que vivimos este ano semella sen ningunha dúbida a mellor opción para aturar as altas temperaturas. Aquí é onde podemos valorar na súa xusta medida as bondades do bosque de ribeira. Se a cen metros do río Lor, entre aciñeiras e xaras, se anda perto dos 40 graos, á beira do río e baixo os ameneiros e pradairos estase ao fresco. Ameneiro, pradairo, acivro, loureiro, freixo e salgueiros son árbores habituais das beiras dos ríos, pero no Lor podemos atopar tamén sobreiras ou aciñeiras asociadas habitualmente a lugares máis cálidos. Tamén multitude de fieitos. Novamente en función do pechado ou aberto que sexa o lugar e da súa orientación poderemos estar máis recollidos baixo unha sombra ou aproveitar a vitamina D que o sol nos achega. Deitados baixo o dosel arbóreo podemos apreciar as follas case circulares, pero lixeiramente dentadas dos ameneiros ou as dos pradairos que nos lembran a bandeira do Canadá. Tamén as ovaladas dos salgueiros sempre situados na primeira liña do río aturando enchentes. Pero nas beiras do Lor atoparemos tamén especies máis típicas de zonas temperadas como o érbedo, a aciñeira ou a sobreira, polo que entre as lecturas do verán non está de máis unha guía de árbores da Galiza que axude a descubrir esta gran diversidade vexetal. No noso deleite, descanso e contemplación acompañarannos libélulas de diferentes tamaños, cores e costumes. Voando sobre nós ou pousadas nas follas das abeleiras andarán os gaiteiros, nomeadamente o gaiteiro azul (Calopteryx virgo) e o gaiteiro bicolor (Calopteryx xanthostoma). A carón da nosa toalla sobre algunha pedra da beira do Lor é moi probábel que pouse o candil curvado (Onychogomphus uncatus) mentres a toda velocidade e a uns centímetros dos nosos pés a remollo pasará un tizón de Bolton (Cordulegaster boltonii) coma un Fórmula 1 do río co seu uniforme negro e amarelo. E se fechamos os ollos entre as follas dos salgueiros e da vexetación miúda da ribeira poderemos escoitar o picafollas ibérico, que acompañará co seu chío a lavandeira real que avanza movendo a cola de arriba abaixo, e de pedra en pedra lanzándose ao ar á procura de algún insecto. Mentres a ra dos regos refréscase á sombra do Lor na auga tal e como facemos nós.
NOS_25349
O vigués Tomás Vieito aspira a gañar en 'foil'.
Windsurfistas de toda a Península estarán mañá na liña de saída da ría de Vigo para participar no Campionato Ibérico de Fórmula Windsurf (clases foil e fin), no que confirmaron a súa participación os campións estatais de ambas as categorías: o vigués Tomás Vieito (foil), que compite polo Real Club Náutico Rodeira, e o andaluz Roberto Ortiz (fin), da Comisión Naval de Regatas de Cádiz O evento está organizado polo Club Marítimo de Vigo co apoio de Marinetea, Sailway, o Marítimo de Canido e do Liceo Marítimo de Bouzas, e intégrase na estrutura da Semana Abanca, tendo en xogo ademais os premios Deputación de Pontevedra e Xunta da Galiza para cada unha das categorías en liza. O apartado técnico correrá a cargo dos xuíces estatais Pedro Fernández Alarcón (Ferrol) e Carlos Sardiña (A Coruña), que foron designados pola Real Federación Española de Vela para dirixir unha competición que arrancará ás 13 horas de mañá na enseada de Rande. A Organización apostou forte por este certame, pois xa presentou oficialmente para o 2023 a candidatura de Vigo para que se leve a cabo no mesmo escenario o Campionato de España, un proxecto que conta co apoio da Secretaría Nacional de Fórmula Winsdurf, que preside Simón Fernández, o cal a converte en favorita de cara a unha designación que se resolverá antes de final de ano no seo da Federación estatal de vela. Entre os participantes en foil destaca a numerosa presenza do Náutico de Castrelo de Miño de Ourense, con Simón Fernández á fronte; do Náutico Rodeira de Cangas; do Catro Ventos de Santa Uxía de Ribeira; do castelán manchego do Vicario Pantanicolas de Cidade Real Eduardo Navarro; ou a ampla representación lusitana, con Margarida Gil, André Videira e Marco Gil como máximas expoñentes. En fin por parte de Portugal chega á Galiza o seu mellor windsurfista, Vasco Chaveca (Club Naval), mentres que Castrelo de Miño estará presente con cinco regatistas (Azpilicueta, Cibreiro, Conde, Iglesias e a Rita Pérez); Praia de Oza da Coruña con Jaime Manuel e Pedro Piñeiro-Estrella; e Rodeira con David Maceiras. Tamén estarán o estremeño Alfonso Tertre (Náutico Serranillos de Toledo), Fernando Calvo (Valmaior de Madrid) ou Eduardo Navarro, de Pantanicolas.
NOS_23818
Unhas xornadas en Ourense debaten sobre a importancia do feminismo para construír outra Europa. Organizadas por AGEe e o grupo GUE/NGL do Parlamento europeo. Contará coa presenza de diversas relatoras para falar de cuestións como o ecofeminismo ou os micromachismos.
Ourense acolle a partir desta sexta feira unhas xornadas internacionais de formación para mulleres baixo o título 'O feminismo, imprescindíbel para construír outra Europa" e que están organizadas por Alternativa Galega de Esquerdas en Europa e polo Grupo confederal de Esquerda Unitaria europea e Esquerda verde nórdica (GUE/NGL). As xornadas serán abertas e comezarán a proia sexta feira, 18 de novembro ás 16:30 horas, cunha inaguración a cargo da eurodeputada Lídia Senra . "Observamos como na esquerda queda aínda moito por facer para conseguir a igualdade real de dereitos entre os homes e as mulleres"., afirma Senra. Nas xornadas haberá servizo de gardería de crianzas para todas aquelas mulleres que desexen levar as súas fillas ou fillos, previa petición deste servizo enviando un mail a [email protected]. O primeiro coloquio é "Teoría de redes de acción: Introdución aos feminismos", da man da doutora en Filosofía e Semiótica, profesora da Universidade de Vigo, Saleta de Salvador Agra, que será introducida pola deputada de En Marea no Parlamento galego Paula Verao. A segunda charla impartiraá a filósofa ecofeminista Alicia Puleo sobre "Ecofeminismo para outro mundo posible". O sábado terá lugar unha palestra de Eliane de Moura Martins, militante do Projeto Popular para o Brasil e doutoranda en Socioloxía pola Universidade Federal do Río Grande do Sul (Porto Alegre), sobre "Concibindo e construíndo o feminismo popular para facerlle fronte á colonialidade, ao capitalismo depredador e a todas as formas de neomachismos". Rosa Álvarez, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, falará sobre "Micromachismo: Cimentando o patriarcado". Xa o sábado pola tarde, terá lugar o último debate, que baixo o título de "Acción social desde o feminismo. Exemplos de experiencias de traballo desde diferentes organizacións", reunirá a Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Eva Bastón e Tania Merelas, de Fiadeiras, grupos de traballo en igualdade de xénero dentro do Colexio Profesional de Educadoras e Educadores Sociais de Galiza, e Eva Gutiérrez, da Plataforma ProCAPD, en defensa dun centro público de atención a persoas con diversidade funcional para a provincia de Ourense.
NOS_37853
Convocada pola plataforma 'Galiza pola República' terá lugar este sábado.
A plataforma 'Galiza pola República, que agrupa máis de 25 organizacións e colectivos, convoca para este sábado na Coruña unha concentración co gallo do 45 aniversario da proclamación de Juan Carlos I como rei español. Será ás 18:30 horas e fronte ao Obelisco. "Non queremos monarquía, herdeira do franquismo. Galiza non ten rei, que devolvan o roubado" é o encabezamento do manifesto co que se convoca esa mobilización. "Reivindicamos a República e rexeitamos a monarquía porque é incompatíbel cun sistema democrático. É un réxime vitalicio e hereditario, que non ten en conta a vontade popular porque o rei, como xefe do Estado, non é elixido polo pobo nunhas eleccións democráticas", sinálase nmo documento. "O ditador Franco, que encabezou en 1936 o levantamento militar e fascista contra a democracia, nomeou a Juan Carlos como o seu sucesor en 1969 "para que todo quede atado y bien atado para el futuro". A monarquía actual é, polo tanto, herdeira do franquismo, daqueles que deron un golpe de Estado contra a República constitucional, elixida nunhas eleccións democráticas. O ditador Franco xa decidiu elixindo a Juan Carlos e agora, 50 anos despois, queremos decidir nós". Os convocantes denuncian que "temos unha monarquía caduca e corrupta" e exixen que se "investiguen todos os ingresos de Juan Carlos Borbón e de toda a Familia Real en concepto de comisións e outras actividades económicas durante todo o seu reinado".
NOS_5078
Nun contexto marcado pola ameaza de retrocesos en América Latina, pola vía de reverter os avanzos atinxidos polos gobernos de esquerda, profundamos no número 246 de Sermos Galiza na análise do chamado 'ciclo progresista' que marcou un punto de inflexión na historia continental.
Após a destrución da Unión Soviética, o capital emprendía unha feroz ofensiva neoliberal debruzándose con saña sobre os dereitos atinxidos polas clases traballadoras e populares en todo o mundo. Con boa parte da esquerda mundial fóra de xogo, a vangarda da loita social e política deslocábase até a América Latina. Á súa análise dedica o politólogo vasco, Katu Arkonada, o seu último libro, publicado en coautoría coa socióloga Paula Kalchko. Desde abaixo, desde arriba. Da resistencia aos gobernos populares: escenarios e horizontes da mudanza de época en América Latina (Editorial Caminos, La Habana, 2016) é unha obra referencial para entendermos o acontecido na outra beira do Atlántico nas últimas tres décadas. Para alén das particularidades e especifidades coas que se manifestou en cada país, o ciclo progresista latinoamericano constitúe un proceso histórico único. Esa é a perspectiva sob a que elaboran a súa análise Arkonada e Kalchko. Un proceso de mudanzas que segmentan en cinco etapas precedidas por unha previa de "acumulación orixinaria", con base nas loitas de resistencia fronte ao neoliberalismo decorridas entre 1989 e 1998. "Ao tempo que se nos dicía que chegara a fin da historia e da loita de clases, no Sur do mundo comezaba a xermolar unha resistencia ao neoliberalismo inda embrionaria". Os principais antecedentes desta etapa son o 'caracazo' en Venezuela no 1989 e o levantamento zapatista en México en 1994. [Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 246, á venda na nosa loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]
PRAZA_18159
Nunha nación normalizada o nacionalismo pode partillar distintas opcións políticas que reflictan os intereses de cada clase ou grupo social, pero Galiza, nas condicións actuais, onde o nacionalismo aínda non penetrou na meirande parte do tecido social e ten moitas dificultades para facelo, cuxas causas levarían a un longo debate explicativo, non pode permitirse ese luxo
Para un emigrante, que leva en Euskal Herria dende o ano 1973, sempre é un anceio anovado regresar á Patria para recuperar folgos e seguir alimentando a esperanza dun rexurdir definitivo. Ao atravesar a fronteira do Sil na estrada de Ponferrada a Quiroga o corazón latexa en estoupidos de ledicia e os beizos murmuran a oración patriótica dos piñeiros pondalianos, que rematan na nazón de Breogán. Desta vez acudimos a dona a e máis eu para celebrar o 17 de agosto o Día da Galiza Mártir, efeméride que lembra o asasinato de Alexandre Bóveda e por extensión o de case 5.000 galegos masacrados e os 15.000 represaliados, segundo dados doados polos proxecto "Nomes e voces" da USC. Desfrutamos dun recuncho de paz na acolledora hospedería do mosteiro de Poio. Entristeceunos a nova do pasamento do nonaxenario bibliotecario, o Pai Xerónimo, que tan agasalleiro nos tratara o ano pasado doándonos precisa e ampla información encol da documentación dalgúns persoeiros que nos interesaban. Porén, o albariño das viñas do convento é afroitado, ledo e competente. Ademais, como está bendicido pola proximidade ao sagrado non é capaz de subir ós miolos e frea a medio camiño. Na hospedaxe está incluída a visita á extraordinaria construción monacal, igrexa, claustros, salas de exposicións, agás as dependencias da comunidade dos monxes. Non faltou a nosa contemplación da imaxe de Santa Trahamunda, padroeira da saudade, que aos emigrantes sempre nos acompaña e nos fai soñar con unha patria rexurdida e de seu. O acto fulcral do Día era, como non podía ser doutro xeito!, a homenaxe a Alexandre Bóveda no monumento erixido na Caeira, Concello de Poio, preto do lugar onde o asasinaron os feixistas sublevados. Exercendo de mestra de cerimonias a concelleira de cultura, Lidia Salgueiro, interviñeron breve, axustada e acertadamente varios oradores. Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao, insistiu na necesaria unidade do nacionalismo galego. Aurora Marco, integrante do Padroado da Fundación Alexandre Bóveda, en ausencia obrigada por mor de causas familiares do Presidente, Uxío Breogán Diéguez, sinalou os antecedentes e facianas máis salientables da homenaxe. Néstor Rego, como representante dos 19 de Meirás, remarcou a necesidade da memoria como semente de porvir. No mesmo rego a prol da memoria sucaron as palabras do alcalde de Poio, Luciano Sobral. Dona Amalia Bóveda, filla póstuma de Alexandre, agradeceu con verbas sentidas a homenaxe. Xosé María López de Guereñu, ex presidente e fundador da Fundación Alexandre Bóveda, recibiu o XIII Premio Galiza Mártir, loou emocionado a personalidade de Bóveda e animou a seguir as súas ensinanzas. O acto rematou co cántico do noso himno nacional. Ao meu entender tódolos os falantes fixeron un bo papel, con intervencións curtas e atinadas, pois adoito estes actos con moitos oradores deveñen en pesados, pelmas e, ás veces, insoportabeis. A continuación o xantar celebrouse no emblemático parque da memoria, bañado pola ría, con unha extraordinaria e fermosa panorámica: cara o solpor a inmensidade do mar océano, de fronte o peirao de Marín e a dereita o recolleito pobo de Combarro, farturento de millo e hórreo. No xantar, adubado con frugal modernidade culinaria, a fortuna da comensalía agasallounos coa agradable compaña, entre outros, de Alba Nogueira, Xavier Vence, Ana Seixas e Luis Villares. A conversa xirou encol de moitos temas máis ou menos transcendentes e, !como non!, outra vez a imprescindible unidade do nacionalismo, asunto que fora xa tema de conversa recorrente durante a mañá nos prolegómenos da homenaxe entre amigos e compañeiros. Na sobremesa houbo entrega de galanos, consistentes nunha edición facsímile do cartaz de propaganda do Estatuto galego de 1936, que fora deseñado por Vidarte. Os receptores/as foron dona Dores Gallego, viúva de Fernando Quintela, galeguista histórico finado no ano 2015 con 98 anos, quen fora presidente da Fundación á morte de Manuel Beiras García. Mesmamente o segundo receptor foi o fillo deste último, en nome do seu pai, Xosé Manuel Beiras Torrado, líder de ANOVA. Dona Dores amosou na súa intervención un fondo sentimento de gratitude polo galano e Xosé Manuel Beiras pronunciou un discurso improvisado, cheo de erudición histórica, no que demostrou con claridade como lle fora roubada a acta de deputado a Alexandre Bóveda nas eleccións do 18 de febreiro de 1936, adxudicándolla a José Calvo Sotelo. Pechou o acto dona Amalia Bóveda, para reafirmar de novo a necesidade da unidade do nacionalismo galego, "como estou segura que quería meu pai". Trasladámonos polo serán ao cemiterio de San Amaro. Nunha belida capela a carón do camposanto oficiou a misa en galego un crego, que pronunciou unha emotiva homilía debullando as virtudes de Alexandre Bóveda e un cooficiante informounos do envío aos bispos galegos dun informe para solicitar da Santa Se a incoación do proceso de beatificación de Alexandre Bóveda. Estou absolutamente conforme con esta petición. No martiroloxio e santoral eclesiásticos hai santos, sen ir máis lonxe os fundadores dos xesuítas ou do Opus Dei, que carecen da piedade e santidade que caracterizaba a vida, paixón e morte de Bóveda: coherencia, dignidade, honestidade, amor a familia e a Galiza, integridade moral, aposta polos máis desfavorecidos e cumprimentos das benaventuranzas. Estes valores amosounos na súa traxectoria vital e, sobre todo, no intre da súa morte. Non hai máis que ler as últimas cartas que escribiu e as verbas finais pronunciadas diante do remedo de tribunal que o xulgou. Na cerimonia da ofrenda floral posterior á misa, na campa que garda os restos do mártir, exerceu o labor de mestre o secretario da Fundación Alexandre Bóveda, Ernesto Vázquez-Rei. Xosé Manuel Beiras pronunciou un longo discurso, escrito no 2003 en honor a un Bóveda refusilado, e relido para ocasión, resaltando a impunidade do crime e a urxencia de memoria como semente de futuro. Unha moza ao acordeón e un rapaz coa frauta interpretaron maxistralmente unhas pezas musicais e introduciron o noso himno patrio, cantado con voz tremente polos presentes, rematando o acto co corazón nun puño. Aínda tivemos folgos para baixar á Boa Vila, pois na Praza de Curros Enríquez, a carón do monumento a Alexandre Bóveda, o BNG celebraba o tradicional mitin. Falaron o alcalde de Barro, Abraldes, e a líder, Ana Pontón, quen demandou unha axenda galega de recuperación da memoria histórica para poñer punto final á impunidade dos crimes do franquismo, esixiu anular todos os xuízos sumarísimos, comezando polo do propio Alexandre Bóveda, e volveu a reclamar a declaración oficial e por lei do 17 de Agosto, DÍA DA GALIZA MÁRTIR. Fica evidente que as dúas palabras máis usadas nesa memorable xornada foron memoria e unidade. A memoria é un ben inmaterial comunal a preservar. Un pobo sen memoria padece un alzeimer colectivo e está a piques de desaparecer no abismo insondable da historia. Non debemos deixar que nola rouben nin tampouco que a mordan os cans rabiosos da desmemoria interesada. Ben o expresa o poeta portugués Fernando Fitas nestes versos: "NÂO DEIXES QUE TE ROUBEN A MEMÓRIA Nâo deixes que te roubem a memória. Nenhuma coisa será suficiente para se morrer à beira das palavras, ou apagar a lembrança dos dedos numa mâo decepada, ainda que estranhos dizeres te falem de inquietas águas na crepuscular desolaçâo das margens. Sem réstia de pudor, sâo ecos de vingança que retorna do tempo de tacôes de silêncio no lajedo para ferir a luz que se derrama na calçada. Que obscuro silêncio sobre as mâos poderia impedir a luz-que os dedos souberam aceder-, de instigar o sol a escolher entre as nuvens o sitio onde rasgar o manto do inverno? Nâo deixes que te mordam a memória os câes raivosos cuja mantilha investe. Ergue-te sobre o olhar. Faz um poema con cheirinho a samba, bossa nova, frevo... nâo detenhas o passo e reaviva o sonho. Quem tem nos lábios a boca de um sorriso nunca estará sozinho nem vencido, pois guarda em sua fala os símbolos da terra e o recesso do viço que precede a festa. De nada mais carece para tomar as ruas ou seduzir as fontes se acaso ousa no verso, imaculado e puro, o secreto desígnio de habitar-se de vento e fecundar o mar. Anda, por isso, amigo, ver o sol reacender nas mâos dos deserdados, as bandeiras dos sonhos ocultados por hienas, vampiros e chacais. Vem comigo à janela reclamar outra vez a nudez das flores e o legado de afectos que embriague de novo os lábios do teu povo, a intentar os límpidos caminhos onde soube pintar, en cada muro, un olhar de alegría e de futuro" (Fernando Fitas:"Subversiva liturgia das mâos"; Espiral Maior, A Coruña, 2018, pp. 51-52) Nunha nación normalizada o nacionalismo pode partillar distintas opcións políticas que reflictan os intereses de cada clase ou grupo social, pero Galiza, nas condicións actuais, onde o nacionalismo aínda non penetrou na meirande parte do tecido social e ten moitas dificultades para facelo, cuxas causas levarían a un longo debate explicativo, non pode permitirse ese luxo. Polo tanto, a unidade, aínda a risco de deixar cada un pelos na gateira, é absolutamente necesaria e urxente. A patria demándao e a conxuntura aturuxa unánime por esa emposta. Non viría mal ter en consideración un adaxio que segue a educuión do xesuítas:"suaviter in modo, fortiter in re". En aras desa unidade e memoria como militante do nacionalismo galego dende 1965, seminarista daquela, e, laico xa, afiliado do BNG dende 1982, data do o seu nacemento, con amigos e amigas en tódalas formacións nacionalistas, e tamén non nacionalistas, dirixo un solemne, sentido, suplicante e sincero prego aos vivos e cordial berro diante da morte dun país, dende a emigración nunha patria irmá, Euskal Herria. Líderes dos partidos políticos galegos, que teñan unha mínima sensibilidade galeguista e/ou nacionalista, sentádevos a falar, degustade con moderación uns competentes grolos de godello ou mencía da Ribeira Sacra, que aledan o corazón "ad depellendum moerorem" e predispoñen a boa vontade, debatede "de humana et divina re" sen acritude, escoitade o clamor das xentes boas e xenerosas do común, conformade nuns puntos básicos de acordo, esquecede estratexias e tácticas, baixade do poleiro e aterrade antes de que a desfeita en Galiza sexa total, deixádevos de lerias, díxome, díxome e pataqueiradas e procurade a unidade do nacionalismo galego!. Nel colle moito máis persoal do que vós pensades. Quizais haxa que enclaustrarvos nun conclave papal de cardeais e irvos reducindo progresivamente o cibaco até que saia un novo pontífice? Publicidade
PRAZA_8749
A unha semana da folga xeral no ensino, o sindicato considera que o informe "valida as críticas de que a LOMCE é unha proposta de partido, ideolóxica e non negociada nin consensuada"
A unha semana da folga xeral no ensino, convocada para o vindeiro xoves 9 de maio, o STEG considera que o ditame emitido polo Consello de Estado a respecto da Ley Orgánica de Mejora de la Calidad de la Educación "supón un novo golpe para a proposta contrarreforma educativa da que é responsable o Ministro Wert" e "valida as críticas de que a LOMCE é unha proposta de partido, ideolóxica e non negociada nin consensuada". O STEG pide a súa retirada e reclama ao mesmo tempo o inicio dun proceso de debate e diálogo sobre os cambios que precisa o ensino público para mellorar. De igual xeito chama á participación nas mobilizacións convocadas en contra dos recortes en educación, contra a LOMCE e en defensa do ensino público. O STEG considera que o ditame "supón un novo golpe para a proposta contrarreforma educativa da que é responsable o Ministro Wert" e "valida as críticas de que a LOMCE é unha proposta de partido, ideolóxica e non negociada nin consensuada" O STEG sinala que o Consello de Estado "pide que se acade un acordo coas forzas políticas e sociais para dar estabilidade ao sistema xa que este anteproxecto conseguiu o rexeitamento de todas as organizacións representativas da comunidade educativa do ensino público, así como da maioría de partidos con representación parlamentaria, pois non houbo nin negociación nin acordo". No apartado de financiamento o Consello de Estado observa unha "insuficiencia da valoración económica que suporá a súa aprobación", ao mesmo tempo que pide ao Ministro que publique "os custos efectivos do anteproyecto de Lei e a fixación dos compromisos no tempo para o seu financiamento". En canto ás materias, o ditame propón que se volva a fixar o estatuto e horario das ensinanzas artísticas e do segundo idioma estranxeiro en Primaria, sendo de oferta obrigatoria para os centros; e que volva ser de oferta obrigatoria a Educación Artística, a Música, a Tecnoloxía, o segundo Idioma Estranxeiro e a Cultura Clásica na Educación Secundaria. De igual xeito reclama unha materia relativa á formación ético-cívica, sinalando á Educación para a Cidadanía, tanto en Primaria como en Secundaria, eliminada polo goberno. Tamén cuestiona que o ensino da relixión teña unha alternativa obrigatoria como propón o anteproyecto de Lei, "pois, tal e como dixo o Tribunal Supremo, de ser así, o alumnado de relixión non estudaría nunca competencias cívicas e sociais", afirma o sindicato. O informe propón que sexan as Consellerías de Educación dos distintos territorios as que determinen a porcentaxe que debe darse no uso das dúas linguas no ensino O Consello de Estado tampouco comparte a contrarreforma que se propón no tema do ensino das linguas cooficiais, propoñendo que sexan as Consellerías de Educación dos distintos territorios as que determinen a porcentaxe que debe darse no uso das dúas linguas no ensino, e rexeita que se deban pagar clases en castelán ao alumnado que o demande. "E dicir, propón validar o modelo actual", destaca o STEG. Con respecto ás reválidas insta a que sexa o propio profesorado do centro quen as faga e denuncia o stress infantil que poden supoñer a proliferación de reválidas na Educación Primaria. Tamén cuestiona a posibilidade que se abre de que as universidades poidan facer probas específicas, "xa que a súa posta en marcha suporía acabar coa equidade no acceso ao ensino superior". Con respecto a segregación en razón do sexo, o Consello recoñece que o sistema de coeducación ou educación mixta constituíu "un avance no tratamento da igualdade de xénero que é constitutivo da democracia" Pide que se volva ao que marca a normativa vixente en canto a distribución de competencias entre as comunidades e o Estado no relativo ao deseño do currículum, volvendo ao 55/65% en función de se teñen lingua propia ou non, cualificando de "incoherente" a distribución que se propón na LOMCE. Con respecto a segregación en razón do sexo, o Consello recoñece que o sistema de coeducación ou educación mixta constituíu "un avance no tratamento da igualdade de xénero que é constitutivo da democracia" e recoñece que os centros concertados non teñen un dereito "incondicionado" ao financiamento público.
NOS_1249
Serpe de cristal (Galaxia, 2018) son once cancións en que toman a palabra a abella, o golfiño, a píntega, o reiseñor, a bubela. Conforman o novo libro disco de Pirilampo, o proxecto de música infantil liderado por Xosé Lois Seixo.
"Este disco, pois, supón unha reposición e tamén unha resurreición: a da fantasía", escribe no prólogo a profesora Pilar García Negro, "a humanización da natureza que tanto caracteriza a nosa cultura tradicionale que cómpre renovar". A iso contribúen Pío, pío, pío, pon, O lagarto Martiño ou O golfiño garimoso, todas con letra de Seixo. "En case todos os meus discos hai unha clara preocupación pola natureza", sinalaba a Sermos Galiza o propio autor, "e agora tiña ganas de resaltar o problema de animais que están seriamente ameazados, nomeadamente réptiles e anfibios". "A serpe sapeira / veleno non ten, / leva un colar branco / e nada moi ben", di A serpe sapeira. Aos textos de Seixo acompáñannos músicas propias -na Serpe sapeira, en Pío, pío, pío, pon e na que dá título ao traballo-, e de Cristina Romualdo, Galina Botnar, Sergio Franqueira, Tito Barbeito e Xurxo Souto. Frautas, gaitas, acordeón, guitarras e percusión variada definen o son dun libro disco con ilustracións de Federico Fernández. Xosé Lois Seixo, que conduce o proxecto Pirilampo desde 2010, engadía que entre os obxectivos de Serpe de cristal -publicado dentro da colección Sonárbore de Galaxia- tamén se atopa reparar a "mala prensa" de animais como a serpe, a píntega ou os sapos. "Quería chamar a atención sobre estas cousas, desmitificándoas, animando a procurar información para que os respecten", dicía. "Arte musical e arte lteraria: en Pirilampo saben ben que todas as artes son amigas, como dicían os clásicos", explica a prologuista Pilar García Negro, "e da súa unión nace esta alfaia, que compón un mapa ben gráfico e amical de animais familiares na nosa fauna, na nosa contorna".
PRAZA_16230
O PSOE está máis preocupado de existir que da esencia propia do seu proxecto.
A existencia precede á esencia, esta é a máxima do existencialismo como corrente filosófica, para Ramón Piñeiro tiña moito que ver coa saudade. Eu non quero falar do existencialismo filosófico senón da necesidade de existir. Hoxe esa é a acción política do actual secretario xeral do partido socialista galego tentar existir. Non deixa de ter graza, o lonxe que está do existencialismo e da saudade da que falaba Ramón Piñeiro. O PSOE está máis preocupado de existir que da esencia propia do seu proxecto. Explícome: Xa hai tempo que o "establishment socialista" está nunha manobra de maquillaxe, o PSdeG-PSOE vendíase como "forza Galeguista"; digo de maquillaxe porque isto mesmo vendíano un tal Francisco Vázquez e outros nun perfecto castelán. Como eran outros tempos e o número de deputados lles daba para ter unha cota de "sentidores" galeguistas no Parlamento, non era difícil e quedaba bonito. Mais o problema era que na realidade final non podían traspasar a lenda de "Hombres de Estado" que tanto lles gusta ós comendadores de Ferraz e na que só eles acreditan. Touriño algo mellorou, pero o ADN de Ferraz estaba e está moi instaurado a ademais tampouco Xocas era Ceferino aínda que viñera da UPG. Coa crise de postos chegaron os descartes de posicións, e os primeiros que sobraron foron os galeguistas, que un tal Besteiro alcumado o Kennedy galego encargouse de apartar de todo, non era unha mensaxe moderna para o da cidade amurallada que pensaba que era un senador de Illinois. De todos xeitos, os estrategos do PSOE saben que algo de rédito de "forza galeguista" podíalles quedar e todos e cada un dos dirixentes que aspiran a dirixir o chiringuito repiten o termo galeguistas como mantra nos faladoiros, pero só como letanía sen saudade e sen sentimento. Nunha acción de existencialismo, o da necesidade de existir e da necesidade de fotos, Gonzalo Caballero foi falar de financiamento a Estremadura, nin máis nin menos que a Estremadura a esa rexión de Núñez de Balboa, de Pizarro, de Cortés, de Valdivia, de Ibarra e de Fernández Vara. Todos eles exemplos da capacidade de integración dos pobos. Que malo é o existencialismo. Claro ese é difícil escenario para partillar de Comunidade histórica, taxa de dependencia, avellentamento, dispersión territorial, singularidade de Galicia, dos dereitos históricos, da igualdade con Euskadi e Catalunya en definitiva de "GALEGUISMO" dentro dunha construción común de estado e de Europa, porque non. Entón o que se fixo foi renunciar ó galeguismo sacar a careta de forza centralista e centradora. Xa vedes pois o prezo da "forza galeguista" do PSOE de Galicia, unha foto cun barón socialista. Para ser galeguista é preciso unha esencia e non tanta existencia. Publicidade <a data-cke-saved-href=&#39;http://taboleiro.praza.gal/delivery/ck.php?n=af4c0f0e&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&#39; href=&#39;http://taboleiro.praza.gal/delivery/ck.php?n=af4c0f0e&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&#39; target=&#39;_blank&#39;><img data-cke-saved-src=&#39;http://taboleiro.praza.gal/delivery/avw.php?zoneid=340&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&n=af4c0f0e&#39; src=&#39;http://taboleiro.praza.gal/delivery/avw.php?zoneid=340&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&n=af4c0f0e&#39; border=&#39;0&#39; alt=&#39;&#39; /></a>