ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_26561 | En comparecencia de imprensa a Coordinadora da iniciativa amosouse convencida de que "ten que haber posibilidade" de confluencia "en chave de país". | "Man tendida e pernas lixeiras", así definiu Xosé Luís Rivas, Mini, a liña de traballo que desenvolverá a eleita Coodinadora de Iniciativa pola Unión após a asemblea decorrida o 27-S en Compostela. "Man tendida", dixo, porque achan que "ten que haber posibilidade" para a construción dunha candidatura de unidade perante as eleccións ás Cortes españolas. Porén, "pernas lixeiras" porque "os prazos son os que son" e "son demasiado curtos" de maneira que, advertiron "non imos ficar parados". Así as cousas, a coordinadora de IpU entende que aínda "é posíbel" unha "grande candidatura galega", sinalou Paula V.Verao, porén, lembran que esta deberá estar rexida por un principio "sine qua nom" que é o seu carácter "soberano", explicou Suso Díaz. "Facer algo desde aquí e para aquí", acrecentou Xosé Luís Rivas, Mini, en referencia a Galiza. Grupos de traballo abertos En comparecencia de imprensa a nova Coordinadora de Iniciativa pola Unión fíxose pública e avanzou cales serán as liñas de traballo a seguir nos vindeiros días e semanas. A comezar pola activación dos "grupos de traballo abertos" que deberán facer efectivas as resolucións aprobadas na asemblea do 27-S. Neste senso, veñen de habilitar senllos formularios, através da súa páxina web, para que aquelas persoas adheridas á Declaración de Conxo que o desexen se anoten á Comisión de liñas programáticas e Código Ético. O prazo remata o 7 de outubro ás 18h. "A nova Coordinadora seguirá pulando pola confluencia con outros espazos e iniciativas sociais para facer posible a conformación dunha única candidatura galega de unidade popular e irá avanzando en propostas de traballo para acadar este obxectivo", sinalan. |
NOS_56040 | As traballadoras e traballadores das auxiliares, a totalidade, segundo os sindicatos, protagonizan unha xornada de folga, e o alcalde encabeza unha manifestación masiva da veciñanza pola tarde. | O persoal das empresas de auxiliares concentrouse desde as cinco e media da mañá na rotonda de Vilabella xunto á central e despois marchou en manifestación até a vila. Hai unhas 250 persoas afectadas nestas empresas pola paralización de parte da produción en Endesa, e sobre todo, como advirten os sindicatos, moita incerteza respecto dos plans da eléctrica para o complexo das Pontes. Despois das protestas en Compostela, diante da Xunta, e na Coruña, na Delegación do Goberno, esta quinta feira a preocupación de traballadores e veciñanza expresouse na vila cunha manifestación masiva encabezada polo alcalde da localidade, o socialista Valentín González. A marcha comezou na capela do Carme e rematou diante do Concello, onde o alcalde leu un manifesto acordado con organizacións políticas e sindicais e cos colectivos veciñais reclamando unha solución para Endesa As Pontes que permita manter unha actividade produtiva fundamental para a economía da comarca mentres se avanza no proceso de descarbonización. |
PRAZA_12203 | Son uns vinte militantes que veñen de formular unha proposta de resolución urxente para o Congreso que Máis Galiza celebra o próximo domingo. Apostan pola continuidade dentro do BNG mais, iso si, reclaman que a formación nacionalista recoñeza a todos os niveis que existen "dous grandes proxectos" no seo da mesma. Esta proposta súmase ás xa formuladas no manifesto "Tamén connosco", que tamén aposta pola permanencia no Bloque, e a do "Proxecto Político Propio", que opta pola escisión | Dous bloques dentro dunha formación que non decidiu se permanecer ou non dentro do Bloque Nacionalista Galego (BNG). Máis Galiza afronta unha semana decisiva que a levará ben a seguir os pasos do Encontro Irmandiño, ben a subscribir a opción de Carlos Aymerich. Unha terceira proposta de resolución urxente vén de facer máis evidente a dicotomía que existe dentro de +G sobre este aspecto. Manifesto asinado por unha vintena de militantes que aposta por seguir dentro do BNG pero cun condicionante que, en calquera caso, non é menor. Ao seu entender o Bloque debe crear "un novo marco de convivencia" de maneira inminente, de xeito que "antes" das eleccións autonómicas se asuma que hai "dous grandes proxectos" que conflúen no BNG. Seguir, pero con cambios dentro dunha estrutura fundamentalmente controlada pola UPG. Os asinantes desta terceira alternativa son: Francisco Xavier Cerqueira Villarroel (militante de Vigo) Manuel Monge González (militante da Coruña), Eduardo Fernández Abel (militante de Lugo), Ramón Antonio Iglesias Ferreiro (militante de Bergantiños), María Teresa Castro Villaverde (militante da Costa da Morte),Carmen Martinez Corbalan (militante de Vigo), Mª Teresa Guiances Coto (militante Vigo), Cristina Fernandez Piñeiro, (militante do Val Miñor), Inma Oriol Janeiro (militante da Mariña), Ramón Veras Castro (A Coruña), Mónica Castro Nogareda (militante da Laracha), Raúl Francés Rodríguez (militante do Condado), Benedicta Exposito(Militante Vigo) Cristina Martínez Souto (militante do Baixo Miño), Dominga Brion (miltante da Barbanza), Mari Luz Álvarez Lastra (militante da Mariña), Ana María Martínez Fernández (militante da Mariña), Mercedes Giráldez Santos (militante do Morrazo). A proposta Na opinión destas persoas que subscriben, apoian e asinan esta proposta de resolución, "a XIII AN non serviu para pechar a crise na que o BNG leva instalado desde hai anos". Entenden que, "lonxe de construír unha base sólida sobre a que asentar a convivencia entre os dous grandes proxectos nacionalistas as teses e a actitude da dirección persisten nunha clarificación ideolóxica dificilmente compatíbel coa pluralidade que debería ser consubstancial ao BNG". Estes militantes entenden que os problemas non só están na casa do BNG, senón tamén na propia: "Tamén en +G se viven momentos de incerteza diante da nosa asemblea do 11 de marzo onde se vai propor deixar de ser corrente no BNG para acadar maior autonomía de acción e incidencia política". Un dos puntos nos que fai máis fincapé esta proposta é o da "coherencia". Aseguran os militantes que a subscriben que Máis Galiza foi creada para "cambiar o BNG desde dentro" e que, despois da pasada asemblea, cómpre "non dar a mensaxe" de que "marchamos porque perdemos". "Iso nos debilita como proposta real de cambio", inciden. Malia todo, a presentación para a votación desta proposta non implica que haxa "medo" a deixar o Bloque: "simplemente supón actuar con prudencia, darnos tempo para marcar unha estratexia que nos posibilite a construír o instrumento axeitado e posteriormente tomar as decisións que como partido político constituido consideremos máis oportunas". Proposta de resolución En definitiva, este colectivo de militantes aposta, e así o propón ao resto de persoas que integran Máis Galiza, que esta "siga a traballar dentro do BNG para lograr un novo marco de convivencia de tal xeito que, antes das próximas autonómicas, se logren avances serios, reais, públicos e verificábeis no sentido de sentido de asumir que no nacionalismo galego hai dous grandes proxectos e que, para conviviren na mesma organización, esta dualidade ten que se reflectir a todos os niveis". |
NOS_20297 | Centos de galeg@s non foron informad@s de que as pensións que cobraban no estranxeiro tiñan que tributar, polo que Olaia Fernández pedirá no Congreso que se anulen as sancións. | Na mesma semana na que o Goberno anunciou o seu plan para recentralizar toda a acción exterior, deixando así sen tratamento propio á actividade económica galega e tamén aos seus milleiros de emigrantes, a representación do BNG no Congreso dos Deputados presenta dúas iniciativas en defensa da diáspora de Galiza no estranxeiro. A deputada Olaia Fernández Davila, formalizou unha proposición non de lei na que insta ao Ministerio de Facenda a anular os expedientes sancionadores que enviou a uns 400 emigrantes galegos -cifra que podería ser maior- e que cobraron pensións estando fóra do Estado que "descoñecían que estaban suxeitas a tributación". "Non sabían a obriga de declarar na Axencia Tributaria estas pensións e está claro que en ningún momento tiveron intención de defraudar", sinalou Fernández Davila. "Estas persoas non sabían a obriga de declarar na Axencia Tributaria estas pensións e está claro que en ningún momento tiveron intención de defraudar", sinalou Fernández Davila, que solicitou tamén que se lles informe correctamente e se regularice a situación "sen multas". Ademais, a deputada do BNG denunciou que "Galiza padeceu e segue a padecer unha emigración brutal". Pola súa banda, a outra deputada nacionalista en Madrid, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei e unha iniciativa parlamentar na Cámara que insta ao Goberno a manter operativa a Axencia Consular de Basilea en Suíza -que pechará o 15 de setembro- "dado o alto número de emigrantes galeg@s que viven e traballan no país helvético, e que precisan dunha Administración consular próxima". Pérez subliña que moitos emigrantes que fan uso do Consulado de Basilea son "persoas maiores, con problemas para viaxar ate Berna". "Do outro lado temos agora a miles de moz@s nada familiarizados co país e a súa lingua, así como nos trámites a seguir e que máis que nunca precisan de atención por parte do Goberno", aseverou. |
NOS_10224 | O Congreso aproba debater unha nova moción de censura ao presidente. | O presidente do Perú, Pedro Castillo, recoñeceu "erros e desacertos" nos seus menos de oito meses de xestión, mais negou as acusacións que o vinculan con actos de corrupción, algo que atribuíu a un intento "sistemático" da oposición por cuestionar a súa lexitimidade. Durante unha comparecencia ante o pleno do Congreso, o mandatario chamou á conciliación política para "pór fin ás disputas mesquiñas" e traballar "xuntos" polo benestar do pobo peruano. As palabras de Castillo chegan horas despois de o Congreso aprobar un debate de moción de censura contra el, que se desenvolverá o 28 de marzo. É a segunda tentativa de destitución xusto oito meses despois de asumir o cargo, o pasado 28 de xullo de 2021. Oito meses de mandato en que designou un total de catro gabinetes ministeriais, abaneando entre a esquerda e a dereita políticas. Nesta ocasión, a moción foi promovida pola ultradereitista Renovación Popular (RP) e contou co apoio de Forza Popular (FP), da ex candidata presidencial, a ultraconservadora Keiko Fujimori); tamén, das formacións da dereita Somos Perú, Avanza País, Podemos Perú e Alianza polo Progreso. A moción baséase nas supostas "contradicións e mentiras" de Castillo durante as investigacións fiscais que o involucraron. Tamén pon en cuestión varias designacións ministeriais, así como a existencia dun suposto "gabinete na sombra", segundo o texto presentado polo almirante retirado Jorge Montoya, deputado de RP. De vacancia en vacancia A "vacancia" ─ese é o nome oficial desta especie de xuízo político─ trátase dun mecanismo capcioso, orixinado na Constitución de 1839 e ratificado en todas as posteriores até a actual de 1993. Unha ferramenta destinada a verificar as capacidades do presidente para exercer o cargo, mais cunha definición ambigua e un proceso de execución relativamente sinxelo: 20% dos deputados pódena solicitar, 40% admitila a trámite, e 66% (87 de 130 lexisladores) aprobala. Isto favorece que poida ser usada con intereses políticos espurios, e iso é o que se denunciaba nas mobilizacións de novembro de 2020 contra a investidura de Manuel Merino como novo presidente, 24 horas despois de o Congreso aprobar a destitución de Martín Vizcarra, con acusacións nas rúas de "golpe de Estado". Dous mozos de 22 e 24 anos faleceron a disparos da Policía naquelas protestas, que acabaron coa dimisión de Merino e a asunción no cargo de Francisco Sagasti até as eleccións da primavera pasada, cando se renovou o Parlamento unicameral e Castillo foi elixido presidente en segunda volta. Agora, segundo informou o Congreso nun comunicado, aprobouse a moción 2148 ─con 76 votos a favor, 41 en contra e 1 abstención─ que "propón declarar a permanente incapacidade moral do presidente da República". "Entristéceme que continúen as cambadelas e non se escoite o pobo", declarou Castillo tras coñecer o resultado. "Non viñemos a roubarlle un centavo ao pobo. Ninguén nos distrae porque o que nada debe, nada teme", manifestou, confiado en superar de novo este segundo impeachment. Polo momento Perú Libre, o partido marxista que lle deu cheda para chegar á Presidencia e con quen mantén fondas diferenzas, non está polo labor de substituílo, mais a cada día que pasa o futuro de Castillo é máis incerto. O acceso ao mar de Bolivia, outro ariete contra o presidente Facilitar saída ao mar a Bolivia, que a perdeu tras a Guerra do Pacífico (1879-1884) en favor de Chile, é outro dos motivos alegados para presentar a moción, aproveitando unhas palabras descontextualizadas de Castillo nunha entrevista. Volveu incidir na cuestión noutra, realizada tamén en CNN, asegurando que nunca falara de cesión de soberanía e lembrando que fora en 1992, co ultradereitista Alberto Fujimori no poder, que se acordou Bolivia Mar, a praia de 5 km arrendada polo Perú a Bolivia por 99 anos. Por outra parte, o Goberno boliviano subliñou nas últimas horas que a súa reivindicación marítima era "irrenunciábel" para poder retomar as relacións diplomáticas con Chile. Unha declaración que chega despois da proposta realizada polo novo presidente chileno, Gabriel Boric, de rachar con máis de 40 anos de silencio diplomático. |
PRAZA_14852 | A Xunta culmina o trámite de declarar de interese galego a entidade fundacional herdeira da obra social das antigas caixas | É unha sombra do que foi, pero aínda vive aínda que xa non ten á fronte aos mesmos protagonistas. A Xunta vén de culminar a declaración de interese galego da Fundación Novacaixagalicia, a entidade herdeira das fundacións das antigas Caixanova e Caixa Galicia ou, o que é o mesmo, da súa obra social, reducida á mínima expresión tras a fusión e a bancarización. Este trámite administrativo, imprescindible para que o ente fundacional poida desenvolver a súa actividade con normalidade, foi asinado o pasado 16 de outubro pola secretaria xeral da Consellería de Presidencia, Beatriz Cuiña, pero non apareceu no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata este martes, onde tamén figuran os nomes dos seus máximos responsables: Mauro Varela e Julio Fernández Gayoso. Así e todo, poucos días despois, o 25 destes mesmo mes, os antigos dirixentes foron relevados destes cargos. Varela dimitiu en NCG polas súas declaracións sobre as preferentes e Gayoso está sendo investigado pola Audiencia Nacional Afastados tanto de Novagalicia Banco como de Novagaixagalicia -a Xunta prevé converter a exinta caixa nunha fundación de carácter especial- os ex directivos ostentaban, segundo consta na resolución, a presidencia e a vicepresidencia do padroado inicial da fundación. O presidente era Varela, que dimitiu en NCG polas súas declaracións sobre as preferentes, e o vicepresidente era Gayoso, actualmente investigado pola Audiencia Nacional, que o obriga a presentarse ante o xuíz cada quince días pola millonaria indemnización que lle foi asignada e que cobrou ao desvincularse da antiga entidade financeira. Pero, segundo informa NCG, a efectos prácticos Varela e Gayoso xa non terán influencia ningunha na fundación fusionada. Así, cando sexa constituída formalmente, en Santiago o vindeiro día 1, o padroado estará encabezado por José Manuel Carballedo, actual presidente de quenda de Novacaixagalicia. O vicepresidente será o outro copresidente da antiga entidade financeira, José García Costas -máximo dirixente do estaleiro Barreras-. O xerente de NCG, Pedro Otero, realizará funcións de secretario e Gonzalo Ortiz, conselleiro da entidade, exercerá como vogal. Segundo os estatutos depositados na Xunta o "obxecto" da fundación é o "impulso, a xestión e o desenvolvemento daquelas actuacións culturais (literarias, musicais, plásticas), cívicas, de investigación e desenvolvemento, socioeconómicas, ambientais e demais análogas de interese xeral" que, "por iniciativa propia ou por propoasta doutras institucións (...) considere necesarios ou convenientes para o desenvolvemento social, cultural e económico". Isto farao, sempre segundo este documento, "principalmente no ámbito da Comunidade Autónoma galega". Dada a "diversidade do obxecto fundacional" e atendendo á lexislación vixente, o protectorado desta fundación estará exercido pola devandita Consellería de Presidencia, que a considera de "interese cultural, cívico, asistencial, educativo, científico, de fomento da economía social e de defensa do medio natural de Galicia". |
PRAZA_5216 | O INE presentou este xoves a Estatística da Produción Editorial de 2013. Publicáronse 739 libros e folletos na nosa lingua, fronte aos 1.322 de 2012 ou os 2.070 de 2008, récord histórico. En cinco anos a edición feita en Galicia pasou de representar o 4,34% do total a ser só o 3,31%. | Póñanlle o adxectivo que queiran. Pero o dato é significativo por si mesmo: os libros publicados en galego en 2013 representan pouco máis da metade dos publicados o ano anterior, consolidando unha tendencia á baixa iniciada en 2008, ano no que, con 2.070 títulos, se rexistrou o récord histórico. A edición en galego atravesa unha crise moi fonda, cun número de títulos inferior ao que se acadaba antes do ano 1999. Esta é a realidade que amosa a Estatística da Produción Editorial de 2013, presentada este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE). É certo que o descenso é xeral en toda España e en todas as linguas, de xeito que o número total de títulos editados no Estado cae dende os 69.668 de 2012 até os 56.435 de 2013 (un 19% menos), e igualmente queda moi lonxe dos 86.330 de 2008. Porén, a caída da produción das editoriais galegas, por unha banda, e de obras en galego, pola outra, é moito máis importante. Cómpre sinalar, a este respecto, que se en 2008 se editaban 3.747 títulos en Galicia, hoxe esa cifra é de 1.869, máis ou menos a metade. E que, así mesmo, se en 2008 as editoriais galegas achegaban o 4,34% de todas as obras públicadas en España, hoxe a súa importancia relativa caeu até o 3,31%. O 42,38% dos títulos que se editaron en Galicia en 2013 fórono en galego, fronte a un 52,06% en castelán e un 3,21% en idiomas estranxeiros. A proporción é semellante á acadada en 2012, aínda que nun ano o galego perdeu dous puntos (dende o 44,96%). Mesmo así, Galicia segue sendo, despois de Baleares, a comunidade autónoma na que a edición en lingua propia representa unha proporción meirande. 2008 2009 2010 2011 2012 2013 Nº de títulos en galego 2.070 1.823 1.429 1.430 1.322 739 Nº de títulos editados en Galicia 3.747 3.180 2.778 2.866 2.660 1.869 Nº de títulos editados en España 86.330 74.521 76.206 74.244 69.668 56.435 % da edición en Galicia sobre o total 4,34 4,27 3,65 3,86 3,82 3,31 Preocupación no sector Os datos coñecidos este xoves veñen confirmar e a agravar as tendencias xa coñecidas en anos anteriores. O pasado mes de novembro a Asociación Galega de Editores realizou unha valoración dos orzamentos para 2014 presentados pola Xunta, amosando a súa "preocupación e clara disconformidade" coas contas, nas que hai 440.000 euros menos para o libro o próximo ano. Os editores engadían que esta cantidade viña sumarse "aos 250.000 euros da desaparecida orde de axudas á edición de grandes obras, que xa experimentara unha reducción acumulada do 75% dende o ano 2010", así como aos recortes que se viñeran realizando, en cada un dos exercicios económicos, ás axudas tradución, edición de materiais curriculares e adquisición de fondos de libros en galego para as bibliotecas públicas. De igual xeito, un ano antes a Mesa pola Normalización Lingüística realizara unha análise semellante, cualificando de "mazazo" os datos de 2011 (moito mellores que os actuais) e sinalando que "desde que preside a Xunta Alberto Núñez Feijóo, non hai un só indicador positivo en políticas culturais, educativas ou lingüísticas". Carlos Callón reclamáralle á Xunta a "resurrección da política cultural e do fomento do libro en galego". |
NOS_44367 | Miles participaron na manifestación de Compostela, unha das 8 que había no país contra a sentenza da impunidade. De todas as idades e condicións, unha maré de persoas unidas para dicir que a maior catástrofe ambiental da nosa historia non pode ficar impune. | Podería parecer un 'déjà vu': as bandeiras negras e azuis, os berros de Nunca Máis, as consignas con palabras como chapapote, o artefacto móbil semellando unha ave petroleada a pairar sobre @s manifestantes, Suso de Toro e Manolo Rivas a daren discursos sobre dignidade... Un 'déjà vu' de 11 anos atrás. Mais non. As ducias de milleiros de galeg@s que saíron á rúa este 1 de decembro non o fixeron porque fundira un barco e as mentiras, neglixencias e incapacidades de Xunta e goberno central converteran aquilo nunha catástrofe. Contra iso xa se manifestaran esas ducias de milleiros de galegos o 1 de decembro de 2002, once anos atrás. Non. Miles e miles de persoas saíron este domingo (1 de decembro de 2013) á rúa porque unha sentenza xudicial consideraba que a maior catástrofe ambiental de Europea non tiña culpábeis e non merecía castigo. O verdadeiro 'dájà vu' foi comprobar que as rendas do poder político (e non só) seguen en mans do mesmo partido e moitas veces en mans das mesmas persoas que tiveron responsabilidade no acontecido hai once anos. Discriminación Nas manifestacións deste domingo houbo dignidade, raiba, compañeirismo, música, ledicia e tristura... faixas, colantes, palabras de orde, consignas, militantes de diferentes organizacións de todo tipo, rostros coñecidos do mundo da política, da cultura, dos movementos sociais... E tamén houbo, o importante, miles e miles e miles de cidadáns que sentiron a necesidade de exercer a dignidade e rexeitar unha sentenza "deliberadamente inxusta". Xente como José, bateeiro da Ría de Arousa, que veu até a manifestación de Compostela. Foi dos de "primeira liña de fogo" cando o chapapote entraba na Ría. A bordo dun barco e recollendo "a merda" (el di así, non di chapapote ou piche ou fuel) coas mans, con caldeiros "e co que fose". Recoñece que "daquela chorabas de rabia" e está convencido de que esa sentenza "non lla meten a outros, só aos galegos". Nese punto engádense á conversa varios para apoiar a hipótese: "Si, home, si, que unha sentenza así non lla fan aos franceses ou aos alemáns, ou aos Estados Unidos". A manifestación de Compostela estaba engrosada por miles de persoas que encheron a Praza da Quintana. Como Raquel, agora no paro e que daquela (cando afundiu o barco) estaba en Noia. "Eu foi coñecer o fallo xudicial que non castigaba nada e sentir moito cabreo. Oes, que non pensaba que me podía poñer así porque tampouco seguín o xuízo con atención". "Os que nos guían / e non teñen ollos" Actuou Caxade e leu o manifesto Suso de Toro. Todo grazas a un xerador eléctrico porque o Concello de Compostela (gobernado polo PP) negou o punto de luz. O escritor compostelán dixo que non era tempo de ficar na casa e resignarse. "Galiza segue na intemperie" pois "fronte a nós navega un petroleiro cargado de mentiras". De Toro enfatizou que 11 anos despois do Prestige "seguen a existir razóns para se manifestar" e citou a Bernardino Graña, poeta do mar: "Os que nos guían / e non teñen ollos". Sentenza exemplar Fronte á impunidade, a mobilización cidadá. E o recurso contra a sentenza: "Chegar a Estrasburgo e conseguir unha sentenza exemplar que marque un antes e un despois no delito ambiental". |
NOS_13771 | O Delegado do Goberno en Galiza deixará nos próximos días o seu posto para ocupar un de representación agrícola estatal en Pequín, o que lle permitirá abandonar un cargo no que destacou pola teima contra o nacionalismo e a militancia contra os despexos. | Samuel Juárez, puro representante do estilo de PP que chegou ao poder galego da man de Feijóo, deixará o seu posto actual como Delegado do Goberno en Galiza, tal e como se coñeceu este sábado, cando se fixo público que o que tamén foi conselleiro da Xunta obtivo un cargo diplomático en China, concretamente en Pequín e relacionado coa agricultura. Unha marcha na Coruña chegou a xuntar a 3.000 persoas solicitando a súa dimisión Nos próximos días o Consello de Ministros asinará o seu traslado e, o que semella máis importante, a identidade da persoa que o substitúa. Porque non foi, para nada, o de Juárez un mandato tranquilo, posibelmente tampouco así o quixo. Até movementos sociais chegaron a organizar unha manifestación na Coruña que reuniu a 3.000 persoas, síntoma evidente do mal vista que estaba a súa xestión. Intentou relacionar aon BNG coas bombas e foi moi duro contra a militancia contraria aos desafiuzamentos Foi Juárez acusado de "represivo" pola esquerda e, sobre todo, polo nacionalismo, que se converteu na súa diana preferida, constantemente obsesionado con relacionar ao BNG cos ataques con explosivos do que se coñece como Resistencia Galega, grupo que mesmo alcanzou grande notoriedade a nivel estatal, o que lle deu grande repercusión en certos foros á figura do Delegado do Goberno en Galiza, talvez agora premiado por esa teima mediática. O Bloque solicitou en varias ocasións a súa marcha. Tamén foi o seu tramo político o do incremento da protesta social e, ao tempo, da represión contra todo tipo de resistencia, por suposto pacífica, como ben saben @s moit@s activistas contra os desafiuzamentos que tiveron que pasar polo xulgado a petición de Juárez, que deixa o cargo pero tamén multas e duros recordos. E unha herdanza complicada. Que está por ver quen recolle. |
NOS_25012 | A quinta 'Marumasat' incorporará melloras de xeolocalización e será lanzada no mes de maio co obxectivo de pasar os 36.000 metros de altura. | O novo proxecto de investigación da Axencia Espacial Escolar Galega dará un paso máis co lanzamento da súa quinta sonda, a 'Marumasat', no mes de maio. Nesta ocasión, buscarán levar os ollos dos propios alumnos e docentes ao espazo para que poidan sobrevoar os ceos da Galiza. A sonda incorporará unha nova cámara para captar imaxes en 360 graos. Estas gravacións utilizaranse para elaborar un vídeo e, en concreto, unha viaxe pola propia estratosfera que se poderá gozar a través dunhas lentes de realidade virtual. Esta iniciativa será un dos experimentos que se expón ' A NOSA' para este ano, un proxecto educativo no que participan ata seis centros de forma colaborativa a través do deseño e construción dunha cápsula que realiza un voo suborbital no terceiro trimestre de cada curso. Este será o quinto ano desde o impulso desta investigación escolar, co que os alumnos e profesores van incorporando diferentes melloras ao equipo utilizado a través da experiencia e co que solicitan datos e realizan experimentos tecnolóxicos, matemáticos ou biolóxicos. Decenas de alumnos colaboran nesta iniciativa desde o curso 2014-2015, na que están implicados o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Miraflores (Oleiros), o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), o IES Arcebispo Xelmirez II (Santiago de Compostela), o CPI O Cruce (Cerceda) e o IES Ferrol Vello. Experiencia conxunta Adrián Caamaño cursa bacharelato e é un dos participantes no proxecto. Segundo explicou, unha das novidades será a mellora da implementación da xeolocalización na cápsula para evitar que se repitan algúns imprevistos como os que se deron o pasado ano, cando se desprenderon tanto o localizador como varias das cápsulas experimentais adheridas. A misión tentará superar de novo os 36.000 metros de altura e incluirá novos módulos de xeoposicionamento, ademais doutro tipo de medidores en función dos datos que se tentarán solicitar, con experimentos de campo magnético, biolóxico, ou sensores de ozono, presión e demais. Raquel Veira, profesora do CPI O Cruce de Cerceda, destacou que o lanzamento está "moi controlado" e sempre se preparan con ensaios previos e cunha gran tarefa de coordinación, aínda que contan xa con varios anos de experiencia que permiten "ir sen risco". Todos os datos e experiencias solicitadas e vividas cos alumnos intégranse dunha maneira diferente en cada centro, buscando unha relación cos contidos de materias en concreto ou a través dos clubs de Ciencia e o Bacharelato 'STEM'. Deste xeito, a cápsula e o proxecto "facilita o contexto" para facer actividades durante todo o curso e, ao mesmo tempo, favorece a implicación do alumnado nos programas e na vida escolar e académica, fomentando ademais a vocación científica.Os centros implicados celebraron esta segunda feira, precisamente, o IV Congreso de 'A Nosa' no Auditorio de Galiza de Santiago de Compostela, nun acto que contou coa participación da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a concelleira compostelá Noa Díaz |
NOS_44205 | O presidente do PP local da Coruña, Miguel Lorenzo, tomou posesión esta quinta feira como concelleiro na Coruña. Fíxoo nun pleno ao que asiste, por última vez, a edil da Marea Atlántica Claudia Delso. | Tras a súa toma de posesión, o tamén candidato do PP á Alcaldía da Coruña recibiu as felicitacións da alcaldesa, Inés Rei, e dos demais representantes dos grupos municipais. O senador e presidente do PP da Coruña, que é irmán do actor Francis Lorenzo, volve así ao concello, do que xa formou parte entre 2007 e 2019 tanto como concelleiro na oposición como con responsabilidades de Goberno á fronte da Concellería de Servizos Sociais. A súa toma de posesión tivo lugar nun pleno ao que asistiu por última vez como edil Claudia Delso (Marea Atlántica) tras comunicar a súa decisión de renunciar á acta por motivos persoais, tras unha oferta de traballo en Barcelona, e políticos. A concelleira da Marea Atlántica Claudia Delso renuncia por motivos "persoais e políticos" A até hoxe concelleira -que abandonou xa o pleno antes do inicio do debate das mocións- recibiu os eloxios por parte dos demais membros da corporación local, coincidindo todos eles en destacar a súa capacidade de diálogo. A portavoz da Marea Atlántica, María García, resaltou o seu labor como edil de Participación Cidadá na etapa de Goberno do partido, así como os cambios promovidos entón como a implantación do 'escano cidadán'. Delso, pola súa parte, incidiu en que queda coas cuestións positivas da súa etapa no consistorio. Teleperformance O pleno comezou gardando uns minutos de silencio polas vítimas de violencia de xénero e, posteriormente, coa lectura dunha declaración institucional en apoio ao persoal de Teleperformance polo traslado a Colombia da maior parte do servizo de atención ao cliente de Unión Fenosa Distribución, do grupo Naturgy. Na lectura da declaración, a alcaldesa, Inés Rei, incidiu en que "máis dun 80%" deste servizo será atendido por "persoal de Colombia". "Perdéndose máis de 90 postos de traballo", asegurou, aludindo, ademais, á perda de calidade no servizo.O presidente do PP local da Coruña, Miguel Lorenzo, tomou posesión esta quinta feira como concelleiro na Coruña. Fíxoo nun pleno ao que asiste, por última vez, a edil da Marea Atlántica Claudia Delso. |
NOS_2458 | O presidente do PP de Galicia acusa ao resto de formacións de "non ter respostas" e de facer "candidato á Presidencia a calquera con tal de non cumprir a vontade maioritaria". | O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, apelou unha vez máis ao voto do medo fronte a posibles alianzas políticas despois do 20D. Feijóo presentou ao Partido Popular como unha "candidatura de certezas" fronte ás outra nove formacións que concorren aos comicios, ás que cualificou de "dúbidas e preguntas sen resolver" durante un acto no concello lucense de Vilalba. O tamén presidente da Xunta dixo que o resto de partidos "farían candidato á Presidencia a calquera con tal de non cumprir a vontade maioritaria" e insistiu no argumento dos populares de que debe gobernar a forza máis votada, segundo comunicado de prensa do PP. "Os bipartitos e tripartitos son un xogo de estratexia entre políticos", dixo Feijóo. Feijóo criticou un hipotético bipartito ou tripartito porque "son un xogo de estratexia entre políticos onde a derrotada é sempre a cidadanía". Nesa liña, apuntou que "as forzas minoritarias deciden o futuro de todos a través do desgoberno e a inacción". Puxo como exemplo a Deputación de Lugo e aproveitou para cargar contra PSOE e BNG, que asegurou "levan meses pelexando entre eles". "Os socialistas deixaron de pensar nos problemas da veciñanza para pensar só nos seus propios problemas", afirmou o presidente do PPdeG, mentres que á fronte nacionalista acusouna de "estar disposta a calquera cousa con tal de rabuñar un pouco de poder". |
NOS_2663 | O protocolo acordado entre a Xunta e representantes do sector está pendente do aval do Comité Clínico e contempla a recuperación do uso da barra nos negocios que se acollan ao nivel máximo. | Os negocios de hostalaría da Galiza quedarán divididos en dous niveis de seguridade independentemente da situación sanitaria do concello no que se atopen. Serán os propios estabelecementos os que decidan baixo que nivel de condicións e seguridade queren operar, se no medio ou no máximo, que permitirá maior capacidade, ademais do rescate das barras en interiores, inhabilitadas até o de agora en caso de risco máximo no seu municipio. Son algunhas das claves ofrecidas polo vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sobre o protocolo pactado co sector da hostalaría e que agora deberá ser referendado polo Comité Clínico que asesora a Xunta na reunión que manterán na tarde desta terza feira. Obrigas e excepcións En cada nivel rexerán unha serie de obrigas e medidas sanitarias que permitirán aos estabelecementos funcionar con independencia da situación epidemiolóxica do concello, aínda que se prevé a posibilidade de adoptar medidas conxuntas en caso de empeoramentos severos do contexto sanitario ou cando se detecten gromos asociados á hostalaría. Quen escolla traballar baixo as condicións do nivel máximo poderán empregar as barras ou aumentar a capacidade, mentres que os estabelecementos que elixan o nivel medio verán máis limitada a súa cabida. En todo caso, Alfonso Rueda incidiu en que "todos os locais" terán "seguridade sanitaria" con independencia do nivel ao que se acollan. Ademais, defendeu que operar dentro do baremo de seguridade máxima non conlevará desembolsos adicionais para os negocios porque "a maioría de medidas xa están implantadas". A idea da Xunta é que o novo protocolo, no caso de que o Comité Clínico dea a súa aprobación, entre en funcionamento este mesmo mes de setembro. Ocio nocturno Ademais, o Executivo galego tamén avanzou que se atopa en conversacións co sector para elaborar un novo marco normativo para o lecer nocturno co horizonte de que estea listo no mes de outubro. A posibilidade de prolongar o horario de funcionamento destes locais máis aló das 3 da madrugada está sobre a mesa, entre outras medidas, que ao igual que na hostalaría buscan alcanzar un "marco estábel" para o conxunto do sector, froito dun consenso amplo. |
NOS_31010 | CCOO e UGT convocaron os protestos para pedir a derrogación do artigo 315.3 do Código penal, por entender que "criminaliza" a participación nas greves. | Varias concentracións e mobilizacións decorreron esta segunda feira en Galiza para reivindicar o dereito á greve e pedir a derrogación do artigo 315.3 do Código penal. A Coruña, Viveiro, Pontevedra, Lugo ou Ferrol foron algúns dos puntos onde se realizaron estes protestos. Tanto CCOO como UGT sosteñen que hai "razóns de abondo" para se mover contra o artigo 315.3, "polo que se criminaliza a participación dos traballadores nas folgas, ou a Lei de seguridade cidadá, que introduce máis recortes nos dereitos fundamentais". A greve é "un dereito fundamental recoñecido en case todos os países do mundo mais en España estase restrinxindo o seu exercicio para, ao tempo, silenciar á cidadanía. Preténdese converter o conflito social nun problema de orde pública, camiñando cara un Estado de carácter policial". Afirman que "xa se criminalizaron as actuacións de trescentos sindicalistas en defensa dos dereitos dos traballadores". |
NOS_28476 | Rock, soul, rumba ou música tradicional son algúns dos estilos das cancións presentadas á I edición do concurso musical infantil Quero Cantar, convocado pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, que inicia agora a súa segunda fase. | O vindeiro día 13 de maio reunirase o xurado encargado de decidir que cancións das dezasete admitidas pasarán á seguinte fase do concurso musical Quero Cantar, convocado pola Deputación da Coruña a través da súa área de Normalización Lingüística da que está ao fronte a tamén vicepresidenta Goretti Sanmartín. Despois de que o prazo para enviar maquetas rematara o pasado sábado día 30, dezasete foron as cancións recibidas procedentes, na súa maior parte, de escolas de músicas, colexios e asociacións. Tanto na páxina web www.querocantar.gal como na páxina de Facebook do concurso pódense escoitar as distintas cancións, de estilos tan diferentes como o rock, o soul, a rumba ou a música tradicional. O xurado, que se reunirá o vindeiro 13 de maio, estará composto por cinco recoñecidas personalidades do ámbito da música, que serán as encargadas de decidir as cancións que pasan á seguinte fase. A segunda etapa vaise desenvolver mediante unha votación aberta ao público na páxina de facebook do concurso, entre os días 23 e 29 de maio. As dez cancións que máis votos obteñan han formar parte dun CD colectivo e, de entre elas, as cinco máis votadas poderán participar na gala final que se vai celebrar no Teatro Colón da Coruña o vindeiro mes de xuño. Alí os grupos deben defender en directo as súas cancións ante o público e ante un xurado formado por nenas e nenos de educación primaria que deberán elixir a proposta vencedora desta I edición do Quero Cantar. Os finalistas son os seguintes: Proxecto Nordés (Cee)Tarabeliños (A Coruña)Nubeiras (Chantada)Grupo da Esmu de Carnota (Carnota)Collage (Laxe)Manuel Rial (Cee)Aaron e Miriam (Culleredo)Xente Miúda de San Orente (Serra de Outes)Coro de Visantoña (Mesía)Esmu de Cerceda (Cerceda)O Saíme canta (San Sadurniño)Os bananas (Coruña)Canta con nós (Ferrol)Batuke Fillas de Xesús (Coruña)Esmu Boiro (Boiro)Leila Santos (Porto do Son)Cantareiras (Sigüeiro) |
PRAZA_1658 | Os conservadores din estar dispostos a aprobar no treito final da lexislatura unha reforma para que o 35% dos votos implique gañar a alcaldía. Se o modelo estivese vixente nas pasadas municipais os populares enfrontaríanse en segunda volta á Marea Atlántica ou Compostela Aberta. | Tanto Mariano Rajoy como Alberto Núñez Feijóo levaron en cadanseus programas impedir as reformas da lei electoral sen consenso, isto é, impulsadas por un único partido. Isto non impediu, no entanto, que nos últimos anos ambos amagasen con mudar a normativa en Galicia e no Estado aínda que para facelo contasen só cos votos do PP. O presidente da Xunta fíxoo a finais da anterior lexislatura e teimou na actual cun plan que agora semella aparcado. Rajoy, pola súa banda, fixo o propio a dez meses das eleccións municipais coa intención de ilegalizar os gobernos de coalición nos concellos. O presidente do Goberno de España deu en renunciar á reforma no outono de 2014 e agora, tras o duro pau do 24M, desentérraa cando restan menos de 5 meses para as eleccións xerais. O encargado de volver axitar a aposta polo cambio das regras do xogo electoral para impedir no futuro que os pactos entre varias formacións impidan que goberne a lista máis votada foi o novo responsable de organización do PP, Fernando Martínez-Maillo, tal e como informa Gonzalo Cortizo para eldiario.es. Coa proposta do PP, a lista que teña máis do 35% dos votos faríase co Goberno dos concellos de maneira automática sen dar posibilidade a que acordos entre outras formacións permita a formación de Gobernos sen a participación de quen recibise máis votos. Trataríase, en definitiva, de deixar atado o taboleiro de xogo para as vindeiras eleccións municipais e evitar o escenario que o 24M desbancou os populares dalgunhas das súas prazas históricas. Se este modelo estivese vixente o 24M nas cidades galegas o PP mediríase en segunda volta á Marea Atlántica, Compostela Aberta, PSdeG e DO No caso de que ninguén obteña esa cifra do 35% a aposta do PP pasa pola celebración dunha segunda volta na que, a priori, participarían as dúas formacións máis votadas. Se este modelo estivese en vigor nos últimos comicios locais os populares manterían a alcaldía de Ferrol, onde tiveron o 36%, impedindo a alianza de esquerda que goberna o consistorio. No resto de cidades teríanse que medir nunha segunda volta coa Marea Atlántica na Coruña -ambas forzas roldaron o 31%-, con Compostela Aberta en Santiago -a formación de Martiño Noriega foi a máis votada pero ficou a unhas décimas do 35%-, co PSdeG en Lugo e con Democracia Ourensana, en Ourense. Mentres, o PSdeG e o BNG obterían as alcaldías de Vigo e Pontevedra xa en primeira volta. Un cambio de última hora O PP amósase disposto a mudar as regras de xogo en solitario e nos derradeiros meses da lexislatura Dadas as posturas manifestadas nos últimos meses polo resto do arco parlamentario no Congreso dos Deputados, este cambio de última hora sería impulsado só polo PP, que coa súa maioría absoluta podería cambiar o sistema para as municipais e tamén para as xerais. No caso das autonómicas a aplicación deste plan obrigaría a reformar diversos estatutos de autonomía e, no caso galego, a facer o propio coa lei de eleccións. Tendo en conta as datas e a correlación de forzas, se Feijóo quixese imitar o seu xefe de filas abordaría a modificación legal igualmente en solitario e tamén a poucos meses dos comicios. Mentres xorde o interrogante de se esta operación chegará a culminar cun cambio na lei -os prazos son moi axustados e as Cortes ficarán disoltas no outono, precisamente pola convocatoria electoral-, o PP di estar disposto a impulsar os cambios en solitario e advirte de que "alguén se mostra contrario, terá que explicalo aos cidadáns", porque esta é unha proposta "sensata". Martinez-Maillo tamén lle resta valor ao feito de que aprobar unha norma coma esta neste momento deixe fóra formacións que, moi previsiblemente, estarán no vindeiro Congreso, como Podemos, Ciudadanos, ou outras forzas emerxentes: "O debate ten que estar no ámbito parlamentario", zanxa. Praza do Concello |
PRAZA_3057 | O PPdeG prevé propiciar votacións no Parlamento sobre puntos concretos do documento aprobado pola Xunta con demandas ao Goberno central antes das eleccións xerais. O BNG tamén trasladará á Cámara galega as medidas para Galicia pactadas co PSOE e Gonzalo Caballero prevé que a acción do novo Executivo central incrementará o apoio ás "forzas progresistas" galegas | O 14 de xuño de 2004, ao día seguinte das eleccións europeas nas que o PP padecera unha derrota doce fronte ao PSOE -un escano e apenas dous puntos menos que os socialistas-, Manuel Fraga era recibido en La Moncloa por José Luis Rodríguez Zapatero, que levaba pouco máis de mes e medio no cargo. O daquela presidente da Xunta saíu do encontro dando por rematado o desencontro co Executivo socialista a respecto do Plan Galicia e deixando na mesa de Zapatero "voluminosa" documentación sobre as súas propostas para a reforma do Estatuto galego, que debería ser "mellorado e completado nalgúns puntos", sinalara.Hai década e media, Fraga trasladara a Zapatero no inicio do seu primeiro mandato peticións sobre o Plan Galicia e a reforma do Estatuto galegoMáis de década e media despois, este luns volveu botar a andar formalmente un novo Goberno no Estado sustentado pola esquerda na recta final da lexislatura galega. Desta volta composto por unha inédita coalición do PSOE e Unidas Podemos. Mentres en Madrid as novas ministras e ministros prometían e tomaban posesión dos seus cargos, en Galicia o PP galego avanzaba a súa intención de centrar boa parte do que resta da lexislatura galega en formular reclamacións ao Executivo que encabeza Pedro Sánchez.Non falará desta volta o PP de reforma estatutaria nin de poñer fin a conflitos co presidente socialista, como Fraga naquela ocasión. Segundo avanzaba este luns o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, nos meses que restan de lexislatura -Alberto Núñez Feijóo pode poñerlle fin cando considere oportuno", o seu grupo disponse a comezar a transformación da "Axenda Galicia" en iniciativas parlamentarias. O PPdeG prevé propiciar votacións no Parlamento sobre puntos concretos do documento aprobado pola Xunta con demandas ao Goberno central antes das eleccións xeraisOs populares, deste xeito, propiciarán votacións no Parlamento sobre puntos concretos do informe elaborado pola Xunta ás portas da campaña das eleccións xerais de novembro con "demandas ao próximo Goberno de España". Trátase de iniciativas non vinculantes e que, a priori, coincidirán cos asuntos que Feijóo traslade a Sánchez cando, nas vindeiras semanas, sexa convocado a acudir a La Moncloa, como Fraga naquel xuño de 2004. Daquela, a súa utilidade para os conservadores será a de forzar os grupos da esquerda a fixaren postura sobre asuntos concretos da intervención do Estado en Galicia nos termos fixados polo propio PP.O BNG traslada ao Parlamento o seu pacto de investidura co PSOEAínda que nun sentido diferente, tamén o BNG trasladará xa nas vindeiras semanas ao Parlamento os asuntos galegos que o Goberno de España de PSOE e Unidas Podemos ten sobre a mesa. Farao, no seu caso, convertendo en iniciativa parlamentaria o texto do acordo asinado cos socialistas para a investidura de Pedro Sánchez. O propósito, afirma Ana Pontón, é "acadar o apoio de todas as forzas políticas" a esas demandas, pero tamén instar a Xunta a que "se poña a traballar xa para incrementar o autogoberno despois de dez anos sen recibir unha soa competencia" nova.Segundo Pontón, cómpre que o PP galego fixe postura ao respecto porque o acordo asinado por PSOE e Bloque contempla reactivar, xa no primeiro cuadrimestre deste 2020, a comisión mixta de transferencias Xunta-Estado. "Agardo que Feijóo e o PP non se deixen cegar polo seu sectarismo nin polo descoloque que lles produciu a nova situación política no Estado", porque "boicotear o acordo" non será "boicotear ao BNG, senón boicotear os intereses de Galiza".Gonzalo Caballero, convencido de que a acción do Goberno de PSOE e Unidas Podemos traerá consigo maior apoio en Galicia "ás forzas progresistas" e insta a Feijóo a ser "leal"Neste escenario, tamén o líder do PSdeG prevé influencia da nova situación no Estado nos derradeiros meses da lexislatura galega. Para Gonzalo Caballero, "a medida que vaia plasmando a súa axenda política", a acción da coalición de PSOE e Unidas Podemos traerá consigo un maior apoio en Galicia "ás forzas progresistas". Neste sentido, avanza, o PSdeG apoiará a acción goberno tanto dos ministerios dirixidos por representantes socialistas como dos departamentos con titulares de Unidas Podemos, caso da galega Yolanda Díaz á fronte do Ministerio de Traballo.Neste contexto, o tamén candidato do PSdeG á Presidencia reclama a Feijóo que "sexa leal" co Goberno do PSOE e UP. Non agarda, así e todo, medidas relevantes da Xunta nos meses que quedan de lexislatura porque, di, Feijóo "non vai facer nuns meses o que non quixo facer en 11 anos". |
PRAZA_15269 | O Goberno galego adxudíca a elaboración do seu boletín oficial por procedemento negociado sen publicidade despois de ter que deixar deserta a contratación ordinaria por erros formais da única empresa que se presentara e que, finalmente, consegue o contrato de igual modo | Un total de 37.267,50 euros. É o incremento de gasto que a Xunta afronta dende hoxe no contrato anual para a elaboración do Diario Oficial de Galicia (DOG), o boletín do Goberno galego que se edita só en formato electrónico dende 2011, ano no que a Xunta o adxudicou por primeira vez por 684.000 euros. Esta suba do 5% prodúcese despois de que a Consellería de Presidencia tivese que organizar un procedemento negociado sen publicidade -no que o Executivo convida unha serie de empresas a optar a un contrato público- porque o proceso de contratación ordinaria quedou deserto. Tal e como informou Praza Pública esa circunstancia deuse a comezos de novembro porque a única empresa que concorrera ao concurso, Producciones MIC -unha editorial madrileña con sedes en Barcelona, Valladolid e Balears- e que resultara adxudicataria, non presentou en prazo a documentación que a Xunta lle requiriu. Así e todo, será esta mesma compañía quen se encargue do servizo durante un ano. Segundo consta na documentación oficial de Presidencia as empresas convidadas a participar neste "procedemento negociado sen publicidade, sen mesa de contratación e con declaración de urxencia" foron tres, pero só Producciones MIC respondeu á oferta. Ao contrario do que acontecera na anterior ocasión, desta volta a editorial si achegou a documentación que se lle pediu -fíxoo o día 12 de novembro- e, polo tanto, encoméndaselle que realice os "traballos de composición, maquetación, corrección e correcta publicación na web" do DOG dende o 1 de decembro. Farao por 596.088,85 euros máis IVE, isto é, por 721.267,50 euros ou, o que é o mesmo, polo importe de licitación -cantidade máxima que a Administración estaba disposta a pagar-. A empresa adxudicataria realizará por máis de 700.000 euros un servizo para o que se ofrecera por menos de 500.000 Á vista do acontecido é posible afirmar que o atraso na presentación de documentos resultoulle, co tempo, notablemente rendible á empresa a adxudicataria e sensiblemente gravosa ás arcas públicas. No primeiro concurso Producciones MIC ofrecíase a xestionar o DOG por 405.358 máis IVE euros, abaratando en máis de 200.000 o prezo de licitación malia ofrecer máis persoal do mínimo establecido. Dada a gran diferenza existente entre oferta e licitación, a Xunta considerou que podería estar a incorrer "nunha baixa desproporcionada ou temeraria", isto é, ofrecendo unha oferta tan barata que provocaría que non puidese prestar o servizo en condicións. Ante esta eventualidade, a Consellería reclamou que a empresa xustificase documentalmente que podería facer o traballo aforrando tanto. Así o fixo e o Goberno galego considerou "suficientemente xustificada" a baixa e por iso llo adxudicou. Pero Producciones MIC non presentou os documentos a tempo e provocou o devandito procedemento urxente e negociado sen publicidade do que, finalmente, resultou gañadora. Así as cousas, finalmente realizará por máis de 700.000 euros un servizo para o que se ofrecera por menos de 500.000, co conseguinte impacto no erario galego. |
NOS_15008 | Desde que nos anos 80 o jazz fixo a súa aparición na Galiza, foi para ficar entre nós para sempre. O xénero segue vivo hoxe e goza de plena saúde, nada ten que envexar do que se está a facer noutras partes do Estado ou na nosa irmá e veciña Portugal, que contan cunha tradición máis longa neste xénero musical. Beban nas fontes do jazz europeo ou se nutran das primixenias raíces americanas, ou mesmo procuren a mestura con outras músicas, os nosos creadores, pertenzan a unha ou a outra xeración, son os garantes da súa permanencia e evolución. | Malia as dificultades que se presentan para estabelecermos unha clasificación xeracional máis ou menos obxectiva dos músicos de jazz na Galiza, e sen entrarmos en consideracións de estilo, pódese dicir que actualmente se está a dar a confluencia de tres grandes xeracións perfectamente consolidadas: —A xeración dos iniciadores, constituída polos músicos máis vellos e que se dan a coñecer na década dos 80. —A xeración dos novos valores. É unha xeración, a dos 90, que, con independencia das diferenzas de idade que se poidan dar entre eles, acolle os músicos que adquiren a súa aprendizaxe en diferentes escolas da Península (Estudio Escola de Música, Baio Ensemble, Taller de Músics...) ou que completan a súa formación en prestixiosas escolas e universidades europeas e estadounidenses, sobre todo na Berklee College of Music de Boston. —A xeración dos novísimos, termo este moi recorrente no campo da literatura, mais que lle vén ao pelo a este grupo que se crea na Galiza a partir do novo milenio. A ela pertencen, sobre todo, os músicos formados no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra (SPJP) por dúas das personalidades máis relevantes da xeración precedente: o pianista Abe Rábade e o contrabaixista Paco Charlín; mais tamén os que, con independencia da idade, fan primeiro estudos clásicos e posteriormente se introducen no jazz en escolas privadas, no propio Seminario, e obteñen a licenciatura nesa especialidade no Conservatorio Superior de Música da Coruña, así como noutros conservatorios, escolas e universidades da Península (ESMAE, Musikene...), ou doutras partes de Europa ou nos Estados Unidos de América. Os iniciadores O grupo máis representativo desta xeración non hai dúbida de que é Clunia Jazz, que fai a súa aparición en 1982. Os seus integrantes, o pianista Nani García –que xa tocara en Filloa Express e Parabará–, o contrabaixista Baldo Martínez –tamén de Parabará– e Fernando Llorca –proveniente da banda de fusión de rock progresivo e jazz Outeiro– son os responsábeis do primeiro proxecto sólido e serio do panorama jazzístico galego e cunha proxección exterior importante. Ese mesmo ano Citola edita o seu primeiro disco (Clunia Jazz), e incorpórase ao grupo o xa desaparecido Antonio Cal co saxo tenor e a frauta. Axiña pasan a formar parte da programación de varios festivais, como as Primeiras Xornadas Galegas de Jazz de Santiago (1982) ou o I e IV Festival Internacional de Jazz Cidade da Coruña (1983 e 1986, respectivamente). Non faltan tampouco os recoñecementos internacionais: segundo premio e primeiro premio para Nani García á mellor composición e arranxo no Concurso Internacional do Festival de Donosti (1983), e primeiro premio no mesmo concurso en 1985 pola interpretación do grupo acompañando a cantante portuguesa Maria João. En 1987, como representantes do jazz estatal, participan na exposición "Cinco séculos de arte español" no Museo de Arte Contemporánea de París. Na década dos 80, a máis activa da banda, editan dous discos máis: Afueras periódicas (Jazz Stop, 1984), coa participación dos saxofonistas Jorge Pardo e Javier Escaned, e Rúa cega (Edigal, 1986) co saxofonista Miguel Ogando. Na década seguinte, malia non disolverse de facto a banda, dedícanse fundamentalmente ás súas carreiras en solitario con proxectos moi diversos, para se reuniren de novo e gravaren Carpe diem (Sons Galiza, 1995) co saxofonista estadounidense Tom Gullion. Haberían de pasar 14 anos até a gravación do seu, polo de agora, último disco (5, Xingra, 2009), que conta coas colaboracións do saxofonista Roberto Somoza e do trompetista Matthew Simon. Ao longo da súa dilatada traxectoria, Clunia Jazz ten outros colaboradores de sona internacional, como os trompetistas Paolo Fresu ou Kenny Wheeler. Nos anos 80 non faltan os recoñecementos internacionais: segundo premio e primeiro premio para Nani García á mellor composición e arranxo no Concurso Internacional do Festival de Donosti (1983), e primeiro premio no mesmo concurso en 1985 pola interpretación do grupo acompañando a cantante portuguesa Maria João Mentres todo isto acontece, os compoñentes desta histórica e prestixiosa banda van consolidando as súas carreiras individuais. Baldo Martínez, posuidor dunha ampla discografía, funda Zyklus, outra banda histórica dos 90, Triez, MBM trío, Zas!, Baldo Martínez Grupo; pon en marcha iniciativas de gran calado entre o público e moi premiadas (Projecto Minho, Cuarteto Europa...) que o converten nun dos músicos galegos máis representativos do jazz contemporáneo en liña co jazz europeo actual. Nani García segue a manter o seu trío, que ás veces reaparece como ave fénix, mais a súa actividade nas últimas décadas está centrada, sobre todo, nos labores de produción, gravación e composición de obras para orquestra e de bandas sonoras para o cinema e a televisión, campo no que obtivo numerosos premios. Fernando Llorca, cun só proxecto como líder da banda, Fernando Llorca Atlantic Jazz (Mr. Cal, Clave Records, 1990), dedícase fundamentalmente ao exercicio pedagóxico, aínda que segue colaborando e gravando con diversos artistas e formacións de jazz. Outros músicos pertencentes a esta xeración son os pianistas Suso Atanes, Manuel Gutiérrez, Alberto Conde, Javier Constenla; os saxofonistas José Nine, Roberto Somoza, Chefa Alonso, Juan Carlos Otero; os guitarristas Pepe Evangelista, Cuchús Pimentel, Antonio Bravo, José Antonio Acuña, Serafín Carballo, Kelly García; os contrabaixistas Miguel Guerra, Manuel Lorenzo Tabarés (fundador do grupo Abuña Jazz en 1986), Antonio López "Castillo", Alfonso Morán, Kin García; o baixista Quique Alvarado e o batería Leo Pimentel. Os novos valores Se hai un grupo que encaixa á perfección nesta etiqueta xeracional é Abe Rábade Trío. Esta formación, composta inicialmente polo pianista Abe Rábade, o contrabaixista Paco Charlín e o baterista búlgaro Val Tzenkov, nace en Boston en 1996 ao abeiro da Berklee College of Music, onde están a realizar os seus estudos. O trío aséntase na Galiza no ano 2000, cando se incorpora á batería Ramón Ángel Rey. Ese mesmo ano obtén o segundo premio no Concurso Internacional de Grupos de Jazz de Getxo. A gravación ao vivo da súa actuación constitúe o material do seu primeiro disco (Babel de sons, Xingra, 2001). Ese ano Abe Rábade recibe o Premio Tete Montoliu ao mellor pianista revelación outorgado pola SGAE. Ao ano seguinte publica Simetrías (Xingra, 2002), nunha época na que se vai materializando o denominado Ghu! Project, no que interveñen os tres e que conta coa participación de recoñecidos jazzistas como Chris Kase ou Jesús Santandreu e a colaboración de Michel González. O resultado deste proxecto é a publicación do álbum do mesmo nome, Ghu! Project vol. 1 (Nuba+Karonte, 2004). Mais este non remata aí: unha segunda entrega verá a luz en 2008 (Open doors vol. 2, Nuba+Karonte), con novas incorporacións (Perico Sambeat, Alan Ferber) e unha sección rítmica renovada (Nelson Cascais e Pruno Pedroso). Cómpre subliñar que na gravación ao vivo Abe Rábade Open doors (Nuba+Karonte, 2008) realizada no Teatro Principal de Compostela, e editada en DVD, a formación de septeto complétase con Toni Belenguer ao trombón e Pablo Martín Caminero ao contrabaixo, no canto, respectivamente, de Alan Ferber e Nelson Cascais. Antes xa se editara Playing on light (Nuba+Karonte, 2006), en formato de trío, con Bruno Pedroso na batería, para a revista Cuadernos de Jazz o mellor disco de jazz dese ano no Estado. A finais de 2006 incorpórase ao trío o contrabaixista Nelson Cascais, e Paco Charlín desenvolve a súa propia carreira musical como compositor e instrumentista, ademais de seguir compartindo a dirección artística do SPJP con Abe Rábade, e deixándonos unha manchea de álbums como líder de formacións compostas por músicos estadounidenses, galegos da chamada aquí Xeración dos Novísimos (Virxilio da Silva e Xan Campos) ou doutras zonas do Estado, como o valenciano Javier Vercher e o madrileño Juanma Barroso. O trío, constituído agora por Abe Rábade, Nelson Cascais e Bruno Pedroso, participa nos dous álbums editados en 2008: Rosalía 21 (Falcatruada) e Aloumiños de seda (Xunta de Galicia). Este último, encargo para a campaña Xeración e logo da Dirección Xeral de Política Lingüística na época do bipartito, nunca saíu á luz desde que o Goberno galego caeu nas mans do Partido Popular en 2009, e dorme un longo sono de esquecemento nalgún soto ou almacén da Xunta. En 2008 prodúcense novas mudanzas coa incorporación á banda do contrabaixista Pablo Martín Caminero. Desde entón até hoxe o trío fica estábel e en plena creatividade. Mostra diso é o número e a calidade de álbums publicados ao longo dos dez últimos anos: Zigurath (Nuba+Karonte, 2010), premio da Música Independente en 2011 ao mellor disco de jazz do ano; A modo (Nuba+Karonte, 2012); Versons (Nuba+Karonte, 2013); Tránsitos (Nuba+Karonte, 2015), con música orixinal de Abe Rábade para o seu trío gravada coa Real Filharmonía de Galiza; Once (Nuba+Karonte, 2016) e Doravante (Nuba+Karonte, 2018), cuxa presentación ten lugar no Festival de Jazz de Monterey (California). Cómpre lembrar que en 2013 a banda recibe o Premio Martín Códax da Música na modalidade de Jazz e Músicas Improvisadas. Outro grupo, trío tamén, que é preciso salientar dentro da mesma xeración é Sumrrá, formado polo pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo (que máis ben habería que localizar na xeración seguinte) e o batería Luís Alberto Rodríguez Legido (L.A.R Legido). Sumrrá nace en Compostela co novo milenio arredor da Estudio Escola de Música e as jam sessions que se realizan no Dado Dadá. Aí é onde xorde a necesidade, despois de moitas horas de tocaren xuntos, de conxugaren cadansúa creatividade nun proxecto común, no que a frescura, a musicalidade, a forza, o risco e a interacción co público sexan os elementos identitarios do grupo. Ao longo de case 20 anos de existencia, e máis que veñan, Sumrrá, ao igual que Abe Rábade Trío, converteuse nunha das bandas cunha traxectoria máis sólida e de maior proxección internacional. No seu haber seis álbums: Sumrrá (Madame Mir, 2001), Sumrrá 2 (Errabal, 2005), 3 ao vivo (Free Code Jazz Records, 2008), 4.0 (Free Code Jazz Records, 2010), V Journeys (Clermont Music, 2015) e 6 Mulleres (Clermont Music, 2018). Ás súas costas, centos de concertos, o Premio Martín Códax da Música 2014 ao mellor grupo de Jazz e Músicas Improvisadas e, entre as gravacións, diferentes proxectos individuais en marcha. Outros músicos, ademais dos xa citados, que forman parte desta xeración son os que seguen: o saxofonista Pablo Sax; os guitarristas Santi Quintáns, Marcos Pin, Fernando Lago, Marcelino Galán, Carlos Lemos; o acordeonista Víctor Prieto; os baixistas e/ou contrabaixistas Rafael Morales, Paco Dicenta, Alfonso Calvo, Diego Pérez Castro; os baterías Andrés Rivas, Noli Torres e Miguel Cabana. Os novísimos O primeiro froito musical importante do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra con azos de manterse no ámbito jazzístico galego e de achegar algo novidoso ao eido é a aparición en 2003 de S.O.S. Trío, formación integrada polo guitarrista Virxilio da Silva, o contrabaixista José Carlos Ferro e o batería Max Gómez. Coñécense no I Seminario (2001/2002) e comezan a participar xuntos de forma activa en diferentes iniciativas (jam sessions, master classes, seminarios, concertos...). É nese momento cando adoitan tocar como sección rítmica do cuarteto do saxofonista Pablo Castaño, realizando numerosos concertos por toda a xeografía galega durante o ano e medio que ese grupo está en activo. A disolución do cuarteto supón a consolidación do proxecto S.O.S. Como eles din no seu programa de presentación, as súas inquedanzas van máis alá de se xuntaren para faceren concertos; máis ben perseguen a posta en común das ideas de cada un sobre a música de jazz, seren un grupo de estudo desde o que dar saída a temas de composición orixinal na procura dun son propio como obxectivo fundamental. Con ese fin participan en moitos festivais (Imaxina Sons, Festival Internacional de Jazz de Pontevedra, Festival de Jazz de Baiona, Canjazz, NigranJazz, Ciclo 1906, Edigal etc.), na gravación de dous discos do Seminario, acompañan a músicos sobranceiros do panorama jazzístico peninsular (Abe Rábade, Víctor de Diego, Perico Sambeat, Raynald Colom, Albert Bower, Carlos Barretto, Bob Sands...) e dan concertos en numerosos locais e clubs do país, especializados ou non neste estilo musical. En 2005 gravan o seu primeiro e único álbum (106 Underground St., Free Code Jazz Records), participan na gravación do SPJ Tributo a Charlie Parker (Free Code Jazz Records) co pianista Xan Campos e o saxofonista portugués João Guimarães e convértense nun dos grupos gañadores do Certame Concerto Autor Jazz Galiza patrocinado pola Fundación Autor da SGAE e coordinado por Agamujazz (Asociación Galega de Músicos de Jazz). Tamén no SPJP comezan a súa formación jazzística o pianista Xan Campos e o batería Iago Fernández. Cando ambos os dous están a realizar os estudos de especialización en jazz en Musikene, comeza a fraguar, xunto co contrabaixista asturiano Horacio García, o que máis tarde, en 2009, se vai converter no Xan Campos trío, un dos proxectos máis persoais do pianista. A banda, unha das máis innovadoras a nivel peninsular e europeo, presenta unha proposta de jazz contemporáneo difícil de etiquetar e en continua mudanza e ebulición, na que a procura da orixinalidade, o risco da experimentación e a apertura a outros xéneros musicais, sen perder as raíces jazzísticas, son factores esenciais. O seu primeiro álbum data de 2011 (Orixe cero, Free Code Jazz Records, 2014). A este séguenlles Ectropía (Free Code Jazz Records, 2015) e Realismo ( Free Code Jazz Records, 2020). Nesta nova proposta, que mantén a liña dos traballos anteriores, podemos atopar todo tipo de influencias mantendo intacta a esencia do xénero, cousa esta que a fai máis accesíbel a un maior número de ouvintes, sexan amantes do jazz ou doutras músicas máis urbanas e comerciais; mais, sobre todo, o álbum intérnase de cheo na exploración sonora, nun xogo de aparencias entre o que se escoita e a propia realidade. Xan Campos Trío vaise consolidando como unha das bandas máis estábeis á vangarda do novo jazz deste século, goza de moi boas críticas por parte das revistas especializadas e conta coa aceptación e apoio dun público cada vez máis entendido e exixente. Desde o seu nacemento até hoxe mantén unha axenda de concertos moi dilatada con presenza en salas de toda a Península e nos palcos de numerosos festivais: Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, Festival de Jazz de Lugo, Ciclo 1906, Mulafest de Madrid, Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons. Festival de Jazz de Moaña, Revoltallo de Vigo, "Jazz Círculo" de Madrid, Festival NigranJazz, Festival de Jazz de Cerezales del Condado (León), Festival de Jazz de Primavera (Ourense), Südtirol Jazz Festival Alto Adige de Bolzano (Italia) e Festival de Jazz de Ría. A interrelación e colaboración musical existente entre Xan Campos e Iago Fernández é case constante no resto das súas publicacións discográficas individuais como líderes ou con liderado compartido: Ida e volta (Free Code Jazz Records, 2007), Galicia Portobello Road (2011), Agromando (Free Code Jazz Records, 2011), Acougo (Free Code Jazz Records, 2014), Brisa (Fresh Sound New Talent, 2016) e Canjazz Reunión (Free Code Jazz Records, 2009); mais tamén como sidemen doutros músicos, como Demian Cabaud (Astah, Carimbo Porta-Jazz, 2018), Wilfried Wilde (Onscilescope, Fresh Sound New Talent, 2017), Joan Saldaña (Despertant, Sedajazz Records, 2017), Iñaki Rodríguez (Burbuja, Errabal Jazz, 2013) etc. O mesmo se podería dicir de Xan Campos con Virxilio da Silva en álbums do trompetista canario Natanael Ramos (Islander´s dilema, Free Code Jazz Records, 2017), de Paco Charlín (Visións, Free Code Jazz Records, 2007) / Alchemist, (Free Code Jazz Records, 2014), de Carlos López (Mandala, Jazz Activist, 2015), do SPJ Group Tributo a Charlie Parker (Free Code Jazz Records, 2005), do trío de improvisación libre Fuzzo (The ghalpón sessions, Xorelo Records, 2019) ou do propio Virxilio da Silva (Odysseia, Free Code Jazz Records, 2008). Colaboración extensíbel a Iago Fernández/Virxilio da Silva co vibrafonista Arturo Serra (Loud-Zee, New Steps Records, 2009); e, por suposto, interrelación colaborativa dos tres en proxectos liderados por Xan Campos (ESD, Free Code Jazz Records, 2016), por Iago Fernández (o xa citado Agromando (Free Code Jazz Records, 2011) e por Virxilio da Silva (JUZZ, 2018). O primeiro froito musical importante do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra con azos de manterse no ámbito jazzístico galego foi S.O.S. Trío, en 2003 Os diversos proxectos musicais individuais ou compartidos realizados por estes tres músicos teñen recibido con frecuencia o recoñecemento de público e crítica e son posuidores de varios premios e mencións. Virxilio da Silva coa cantora Mónica de Nut, Premio Martín Códax da Música 2014 na Categoría de Músicas do Mundo polo álbum Dos fíos invisibles chegan as cores e Premio Martín Códax da Música na categoría de Rock en 2016 con Foxy Freire, banda composta tamén por Fernando Sánchez, Paco Charlín e Max Gómez; 2º Premio do Concurso Internacional de Grupos (XXXIV Getxo Jazz, 2010) coa banda liderada polo trompetista Xavier "Gdjazz" Pereiro, Gdjazz 4tet, con Manel Brito e Max Gómez; mellor solista no Keep and Eye International Award 2015 (Amsterdam) e finalista por Virxilio da Silva´s Juzz nos V Premios Martín Codax da Música (2018) na Categoría de Jazz e Músicas Improvisadas; tamén participa no documental Eivissa Jazz the Experience, dirixido por Marco Torres Walker, xunto cos outros músicos que forman parte da Eivissa Jazz Experience no Festival de Jazz de Eivissa de 2016: Abe Rábade, organizador do grupo, Gonzalo Tejada, Vicente Macián, David Xirgu e Pere Navarro. Este documental obtén o premio á mellor música no Indian World Film Festival de 2018, toda ela, na súa maior parte, música orixinal dos músicos citados. Iago Fernández recibe o Premio Martín Códax da Música en 2017 na categoría de Jazz e Músicas Improvisadas polo seu álbum Brisa, acompañado por Enrique Oliver, Wilfred Wilde, Reinier Elizarde e coas colaboracións de Xan Campos, Inês Sousa e Zé Pedro Coelho. Os proxectos de Xan Campos (Xan Campos Trío e ESD) resultan finalistas tamén na categoría de Jazz e Músicas Improvisadas en 2014 e 2016, respectivamente, dos Premios Martín Códax da Música. Xan Campos e Iago Fernández, participan, como protagonistas e músicos, entre outros moitos, no filme Jazz en liberdade, realizado e dirixido por Xes Chapela, que en 2010 recibe o Premio Mestre Mateo á mellor longametraxe documental; ademais, xunto co saxofonista Hugo Astudillo e o contrabaixista Rubén Carlés, formando parte da banda Mr. Chacho, gañan o primeiro premio no Concurso de Jazz de Fuenlabrada (2006) e son finalistas no Concurso Internacional de Grupos na XXXI edición do Festival de Getxo (2007). O palmarés de todos eles non pode ser mellor. Velaí outros representantes desta xeración: as voces Mónica de Nut, Terela Gradín, Antonio Otero, Javier Marcos, Rubén Fernández; os pianistas Yago Vázquez, Alberto Vilas, Antonio López, Pablo Seoane, Gabriel Peso, Iago Mouriño, Seir Caneda, Xavier Núñez, Alfredo Susavila; os saxofonistas Pablo Castaño, Antonio Otero, Rosolino Marinello, Fernando Sánchez, Xosé Miguélez, Pablo Añón, Sarunas Pupelis; os trompetistas Xavier "Gdjazz" Pereiro, Ricardo Formoso; os guitarristas Michel González, Wilfried Wilde, Telmo Fernández, Felipe Villar, Álvaro Vieito, Rubén Barros Deschamps, Nacho Pérez, Carlos Calviño, Rafa Otero, Fernando Varela, Jorge Valero; os baixistas e/ou contrabaixistas, Xacobe Martínez Antelo, Juansy Santomé, José Carlos Ferro, Pablo Pérez, Simón García, Antón Bello, José Manuel Díaz, Juyma Estévez, Pablo Vidal, Gustavo Hernán; os vibrafonistas Ton Risco, Antonio Agra; os baterías Max Gómez, Carlos López, Naíma Acuña, Lucía Martínez, Dani Domínguez, Chus Pazos, Javier Barral, Miguel Lamas, Emilio Atanes, Diego Valero, Bruno Couceiro, Sergio González, Roi Adrio e Hilario Rodeiro. O jazz continúa Nos últimos anos, porén, está a despuntar unha nova xeración de músicos cunhas características moi semellantes á anterior: unha boa parte dos seus integrantes tamén comezou a súa formación no SPJP ou se especializou no Conservatorio Superior de Música da Coruña ou na Esmae do Porto e, na actualidade, está a completar os seus estudos en escolas, conservatorios e universidades de todo o mundo ou a desenvolver a súa carreira profesional. Esta nova xeración, que se podería denominar perfectamente como a Xeración dos Continuadores, conta xa cunha ampla representación: os pianistas Sunil López, Sergio de Miguel, Martín Rodríguez; o organista e tecladista Alex Salgueiro; o violinista Ismael Cabaleiro; os saxofonistas Diego Alonso, Miguel Sucasas, Miguel Ponce, Luís Seoane; o trompetista Manuel Paino; o trombonista Bruno Valle; os guitarristas Dani Font, David Regueiro, Rafa Fernández, Alfredo García, Daniel Casares, Chema de Cora, Lucas Cobo, Martín Verde, Valentín Caamaño, Manuel Díaz, Manuel Méndez, Xosé Virxilio Outón; os contrabaixistas Pablo Patiño, Alex Touceda, Yudit Almeida, Alberto Rial; os vibrafonistas Israel Arranz, Lucas Martínez; os baterías Héctor Agulla, David Puime, Miguel Fernández, Ana Sanabria, Luís Vivas, Dani Díaz, Paulo Silva, Antón Iglesias, Brais Lorenzo e Andrea González. Con estas perspectivas tan esperanzadoras, todo indica que a música de jazz na nosa terra ten un porvir garantido. |
PRAZA_15298 | A Consellería do Mar formalizou o pasado 9 de novembro o contrato coa empresa á que lle transfire os seus dous helicópteros para atender accidentes no mar durante os vindeiros cinco anos. As aeronaves non serán substituídas se teñen que parar menos de tres días. | Foi obxecto dunha das liortas políticas de segunda fila na pasada lexislatura e apenas transcendeu alén dalgún debate da comisión de Pesca do Parlamento. Pero o pasado 9 de novembro, fíxose efectiva. Ese día a Consellería do Mar formalizou o contrato a través do cal privatiza o servizo que prestan os Gardacostas de Galicia a través dos seus dous helicópteros, cedidos en virtude deste mesmo contrato á empresa adxudicataria, Inaer Helicópteros Off-shore, a única que se presentou ao concurso e que xa traballou para a Xunta en anteriores ocasións. O que para os grupos da oposición parlamentaria supuña "regalar" o patrimonio público concrétase nun desembolso de 30,8 millóns de euros por parte do Goberno galego, que deixa durante cinco anos nas mans da empresa privada non só as dúas aeronaves das que dispón, senón tamén o conxunto de "servizos de salvamento marítimo, prestado mediante helicópteros" que desenvolven dende as súas bases, ubicadas en Viveiro e en Vigo. Terán que facelo "en coordinación cos demais medios marítimos, aéreos ou terrestres á disposición ou en relación coa Xunta" e que, segundo os documentos da contratación, comprenden "salvamentos no mar e na terra", "voos de control pesqueiro, vixilancia do litoral e contrl da contaminación mariña" e "colaboración co 061 para o transporte de feridos, enfermos, e calquera tipo de accidentado". A duración do contrato será de cinco anos Ademais, e atendendo ao incluído no prego de condicións técnicas desta operación, Inaer tamén terá que acudir cos helicópteros da Xunta a "outros voos de vixilancia e recoñecemento, cando así o dispoña a Consellería do Mar", colaborará "co Servizo de Salvamento Marítimo" do Estado e con outras administracións. Do mesmo xeito, terá que realizar "outros servizos aéreos acordados" por Mar "sen que poidan existir máis limitacións ás actividades a realizar e ás circunstancias destas que as establecidas na lexislación en vigor".Todos estes labores faranos tanto na "franxa marítimo-terrestre" de Galicia como "en toda aquela outra zona e/ou lugar/ do territorio nacional e estranxeiro que indique" o departamento que dirixe Rosa Quintana. Cadro de persoal e substitución de aeronaves "Dada a variedade de misións e as necesidades de mantemento dos helicópteros e das bases", a Xunta asegura que a súa intención é "optimizar a xestión das persoas asignadas a este contrato" e por iso, ademais de realizar a pilotaxe dos helicópteros, "todo o persoal" vai efectuar tamén "traballos en terra de peracións, loxística e mantemento necesarios" que "derivan das operacións do Servizo de Gardacostas de Galicia". Este cadro de persoal estará formado por un "mínimo" de 18 pilotos, 9 "operadores de guindastre", 9 rescatadores, 10 técnicos de mantemento de aeronaves e un administrativo. Ademais dos requisitos específicos do traballo, como a formación aeronáutica e en actividades de rescate, ás tripulacións dos helicópteros esíxeselles "un alto coñecemento do idioma inglés" e "un algo coñecemento da lingua castelá". No contrato non figura mención ningunha ao galego. A empresa só terá que achegar un helicóptero de substitución en paradas de "tres días ou máis" Nestes documentos a Xunta marca tamén os supostos nos que a empresa adxudicataria terá que achegar un helicóptero de substitución. Isto só acontecerá cando unha das dúas aeronaves estea "fóra de servizo durante tres días ou máis", xa sexa a causa dunha parada "programada por mantemento" ou a causa dunha avaría. Nese caso, Inaer terá que poñer á disposición da xunta "un helicóptero para entrar inmediatamente en servizo" dende a base de Viveiro. Así as cousas, é posible manter todo o servizo de gardacostas cuberto por un só helicóptero durante dous días. |
PRAZA_12541 | A Susana Moo coñecémola en 2008, cando gañou o certame de microrrelatos eróticos organizado por Vieiros Ferve a Rede. Despois, colaborou en medios como Certo.es, e tamén no propio Vieiros, no que elaborara unha serie de relatos eróticos con políticos galegos como protagonistas para as eleccións de 2009. O seu blog Erotómana converteuse nun recuncho moi popular na Internet do país, cunha ampla produción de relatos eróticos que mesmo foron publicados en formato libro. | A Susana Moo coñecémola en 2008, cando gañou o certame de microrrelatos eróticos organizado por Vieiros Ferve a Rede. Despois, colaborou en medios como Certo.es, e tamén no propio Vieiros, no que elaborara unha serie de relatos eróticos con políticos galegos como protagonistas para as eleccións de 2009. O seu blog Erotómana converteuse nun recuncho moi popular na Internet do país, cunha ampla produción de relatos eróticos en castelán e galego que mesmo foron publicados en formato libro. Por que decidiches abrir o blog? Para compartir os meus contos e o meu interese erotómano. En Internet hai moito porno pero pouco erotismo? Penso que hai de todo, o porno chama mais a atención, pero hai centos de blogs e webs deleitándose no erotismo. Onde está a fronteira? Cando é que o morbo ou a insinuación se converte en porno ou se fai sexo explícito? Disque a fronteira está nos xenitais, se aparecen explícitos - no caso dos homes en erección-, estamos falando de porno, se se deixan só intuír, sería erotismo. Pero eu diría que o límite o marca o tratamento que se fai deses xenitais -e do corpiño todo-. Pode haber grande erotismo, mesmo poesía, nunha vulva aberta, nunha temprera pletórica. "Penso que a sociedade vive tamén unha crise sexual" Como valoras a literatura erótica que se escribe actualmente en España? Penso que a sociedade vive tamén unha crise sexual, e a literatura erótica de sempre buscou, ademais de fins lúdicos, outros reflexivos e didácticos. O debate preséntase en diferentes estadíos, dende as novas tendencias queer, postporno e postfeminismo, que plantexan una reflexión crítica sobre o discurso pornográfico, con ese barullo de identidades sexuais, ata unha onda retro de pin-ups e recuperación dos roles clásicos femininos e masculinos. A sobresaturación de erotismo, a sobresaturación de porno, chegou a un punto en que a xente busca novos tratamentos e reflexións sobre o sexual e o seu papel na nosa vida. "Fíxome gracia que varias persoas se puxeron en contacto comigo para que narre as súas experiencias sexuais, para que non se perdan coa súa memoria eses ferracholos que botaron un día" Algunha anécdota agradable (ou todo o contrario) como autora de Susanamoo.com? Ultimamente fíxome gracia que varias persoas se puxeron en contacto comigo para que narre as súas experiencias sexuais, para que non se perdan coa súa memoria eses ferracholos que botaron un día. Logo, emocióname a implicación e identificación que moita xente sente cos meus textos, o acompañada que me sinto no meu proxecto. E, por suposto, supuxo unha grande satisfacción para min o feito de que dúas editoriais – Perineos e Pensódromo- se animasen a editar o meu traballo. A xente ten medo de expresar as súas fantasías? Non en Internet. En Internet a xente despendolámonos. Todo quisque saca filias a esgalla pola rede adiante. "Esa picardía e falta de complexos para entoar asuntos sexuais resulta unha alfaia para entender a sexualidade dun modo festexeiro que é, penso, o mellor modo de entendela" Como é a relación dos galegos e galegas co sexo? Algún factor diferencial? A cultura galega do sexo é riquísima, interesantísima, de longo percorrido histórico. Velaí as cantigas de amor e de amigo, a sensualidade da poesía de Rosalía ou Pardo Bazán e Camilo José Cela, que aínda que escribiron en castelán, a ambos míraselles un forte ramalazo galego no tratamento da sensualidade, no humor. Pero sobre todo a tradición cantada, tan cachonda. Non hai mellor educación sexual que cantar o pousa pousa pousa arredor da mesa cos tíos e os primos e avós. Esa picardía e falta de complexos para entoar asuntos sexuais resulta unha alfaia para entender a sexualidade dun modo festexeiro que é, penso, o mellor modo de entendela. Un lugar erótico en Galicia? Algunha recomendación para viaxar? A natureza en estado puro é o mais quente que hai, e en Galicia aínda quedan recunchos. Pero mellor non sinalar ningún, para que sigan salvaxes. "Cando escribo en galego sáeme una vea retranqueira que me encanta, e penso que unha tenrura especial tamén" Ti escribes en castelán, pero tamén en galego. Que diferenza hai ao escribir sobre sexo en galego? Pois bastante. Atópome mais cómoda escribindo en castelán porque a miña educación foi nesa lingua, e a meirande parte das miñas lecturas. Pero cando escribo en galego sáeme una vea retranqueira que me encanta, e penso que unha tenrura especial tamén. |
NOS_7700 | Tras a edición de "resistencia" do ano pasado, o Festival Sinsal volve á illa de San Simón entre o 23 e o 25 de xullo. O encontro regresa á súa esencia: tres días de convivencia nun espazo natural e de memoria histórica que propón proxectos contemporáneos atípicos para gozar dunha experiencia que vai máis alá da música. As entradas para os eventos poranse á venda nos próximos días | Conxugar prestixio e éxito popular é a fantasía de calquera programador cultural. Nun momento en que a vella oposición entre cultura e entretemento retoma un lugar destacado no debate público, encontrar métodos que permitan conciliar os aspectos lúdicos e críticos diso que chamamos cultura resulta tan complicado como reconfortante. O Festival Sinsal, que se celebra na illa de San Simón desde o ano 2010, semella ter atopado a fórmula: esgota as localidades sen facer público o programa, que se mantén en segredo até o momeno das actuacións; recibe premios como o Fest -que o recoñeceu como mellor festival de pequeno formato do Estado-; ou aparece citado no Observatorio da Cultura como unha das iniciativas culturais mellor valoradas do país. Julio Gómez, codirector do festival, explica algunhas das chaves que están detrás do suceso dun evento, en principio, destinado a un público minoritario: "Aínda que agora entendemos o festival como algo moi vinculado coa programación cultural, a orixe do termo ten máis a ver cun acto comunitario de participación e celebración, de compartir un espazo público. Nós queremos pór en valor esta idea, neste caso arredor da música, e convocar un evento nun espazo tan especial e simbólico como San Simón reivindicando esa idea da convivencia". Un traballo a longo prazo En realidade, Sinsal é un selo que xa existía antes de San Simón –o festival tivo varios formatos antes de aterrar na illa– e iso creou tamén unha personalidade e un espazo de "familiaridade" que permitiu que o público depositara a súa confianza nos seus programadores. Por outra banda, as artistas que pasan polo festival acaban tendo máis visibilidade nos medios que se ocupan da música contemporánea e acaban facendo parte das preferencias do público galego e mesmo de fóra da Galiza. "Cando apostas por xente nova e con talento, a súa propia dinámica –e tamén a sorte, que é un factor que sempre xoga un papel importante– marca a posición e a evolución deses artistas", declara Gómez. "Non sempre é así: son moitas as circunstancias que interveñen para que un artista acceda a unha dimensión máis coñecida, mais si é certo que despois de moitos anos, o que facemos ten unha repercusión no país. E este creo que é un aspecto a reivindicar: o traballo de comisariado é importante e hai persoas que lle dedicamos moitos anos de traballo a formarnos e a formar un criterio". "Hai que respectar os gustos da xente e saber valorar para que lugar e para quen programas", continúa, "mais, dentro deses condicionantes, podes facer un traballo que saliente o traballo de certos artistas que, máis tarde, entrarán en circuítos máis grandes e chegarán a ser moi populares ou que se consolidarán en circuítos pequenos nunha liña de prestixio". Sinsal permanece afastado da competición que manteñen os grandes festivais por contar con estrelas do show bussines, e malia esta renuncia, mantén a súa aura de prestixio dentro do microcosmos que conforman este tipo de eventos. "Hai todo tipo de festivais", subliña Gómez, "os que concentran a maior parte do seu programa en grandes figuras e os que empregan esas figuras como paraugas que protexe propostas máis pequenas, que atopan aí unha oportunidade para enfrontarse cun público amplo. Agora, coas medidas restritivas derivadas da pandemia, observamos que moitos artistas que, en teoría, poderían estar traballando para un público pequeno, non o fan porque lles falta ese paraugas baixo o que darse a coñecer. Os festivais que temos un maior compromiso con artistas cun perfil máis agochado –non necesariamente novos, porque en moitas ocasións levan moitos anos traballando– temos unha forma diferente de comunicar o concepto de festival. Mais creo que é importante que exista a diversidade, a complementariedade entre diferentes formas de entender a difusión da música e, en xeral, da cultura. No mundo globalizado no que nos movemos, sabemos que hai un público para case todo. Hai espazo para todo". Polémica polo emprazamento na illa Desde algunhas asociacións de recuperación da memoria histórica cuestiónase a oportunidade de que un lugar como San Simón –que funcionou como campo de concentración durante a represión franquista– acolla un festival de música. Mais Julio Gómez apela ao sentido democrático que debe ter a recuperación do pasado: "A xestión do patrimonio sempre é complexa e non hai fórmulas definitivas. Estamos remando na mesma dirección e penso que todas temos a obriga, pero tamén o dereito, de participar da memoria histórica. E a construción do espazo público é tamén un dereito que nos asiste a todas. Deberiamos apoiarnos entre nós para pór en valor o noso patrimonio e a nosa historia. Nós facémolo cunha actividade cultural onde por riba de todo subliñamos dous valores: un deles é o territorio –e, daquela, a súa valorización e difusión–, e o outro, a convivencia. Debemos reivindicar eses valores que unen unha sociedade democrática –a liberdade, a igualdade e a fraternidade– e nós facémolo a través da música. Traballar en favor deses valores é máis necesario que nunca, especialmente nun espazo como San Simón, tan marcado por un pasado tan escuro e tan triste como é o da represión franquista. A memoria histórica debe ser transversal e debe estar sempre presente, mais sen perder de vista o que está sucedendo na actualidade, na que existen elementos de abondo preocupantes". O laboratorio de I+D+i da creación Julio Gómez explica a necesidade de espazos que fornezan de novas ideas á creación contemporánea: "Os grandes festivais moven orzamentos moi grandes e teñen unha capacidade de mobilizar medios que deixan moitos beneficios para o territorio. Os festivais pequenos non temos esa capacidade de xerar ese retorno, mais precísase un sector máis experimental, para que a creación máis arriscada alimente todo o sistema; no fondo, funcionamos como un laboratorio de I+D+i da creación contemporánea. Os espazos pequenos chegan onde non chega a administración nin os eventos máis populares e son imprescindíbeis para o tecido cultural e artístico. E tamén económico, porque non todo o mundo pode ser grande". |
NOS_29053 | A fiscalía fixo especial fincapé no aumento da violencia machista. | O fiscal superior da Galiza, Fernando Suanzes, presentou esta sexta feira a Memoria Anual do labor da Fiscalía do país durante o ano 2021. Un discurso no que fixo especial fincapé na "brutal realidade" da violencia machista na Galiza, da que expuxo os principais datos de criminalidade o ano pasado. A Galiza rexistra un 53% máis de condenados por delitos sexuais en 2021 Unha muller foi asasinada pola súa parella en 2021, "un asasinato que nunca debeu suceder, como todos os que se producen", lamentou Suanzes, para afirmar a continuación que "a violencia machista e ten cara, nome e familia". No ano pasado, incoáronse máis de 6.777 novos casos. Incrementou un 14% as cualificacións fiscais e ditáronse case un 41% máis de sentenzas en relación coa violencia de xénero, das que 86% foron condenatorias. Os delitos sexuais repuntan un 16% no primeiro semestre Para o fiscal superior da Galiza, "o Estado español é un dos países do mundo cun maior compromiso coa loita contra a violencia de xénero". Evolución dos procedementos penais En total, durante 2021 os órganos xudiciais galegos tramitaron 137.680 procedementos penais, o que supuxo un aumento de 8,89% respecto a 2020. A estatística fiscal reflexou tamén unha cifra global de 102.320 procedementos penais incoados, con un incremento de 13,21. As alternativas á prisión fican afastadas da poboación reclusa Os delitos incoados aumentaron 15,1% no último ano. Deles, os delitos de lesións supuxeron 26,35% do total; delitos patrimoniais e socioeconómicos, 24,03%; delitos contra a Administración de Xustiza, 21,95%, delitos contra a liberdade, 17,88%; e delitos contra a seguridade viaria, que supuxeron 9,46%. No seu discurso, o fiscal tamén se referiu a outros grupos delituosos que, sen supor tanta porcentaxe, "teñen gran influencia na percepción da seguridade cidadá", como os delitos contra a vida, os delitos contra a liberdade e indemnidade sexual, delitos patrimoniais e socioeconómicos ou delitos contra a saúde pública polo tráfico de drogas. Delitos de menores de idade Outro dos puntos nos que fixo fincapé Fernando Suárez foi nos delitos cometidos por menores de idade. En 2021 rexistrouse un total de 3.027 procedementos incoados, cun aumento interanual de 23,25%. En liberdade tres adolescentes da Estrada acusados de agredir sexualmente unha menor de idade Houbo un total de 622 menores axuizados na Galiza o ano pasado, cun aumento de 5,07%. A cifra de delitos incoados elevouse até os 3.305, cun incremento interanual de 38,05%; e foron formulados un total de 625 escritos de alegacións polos fiscais, cun incremento interanual de 12,21%. En total, acadáronse 130 solucións extraprocesuais, cun "salientábel" incremento interanual de 31,31%, e unha porcentaxe de 12,72% respecto dos expedientes de reforma tramitados. Outros delitos A delincuencia informática asociada ás novas tecnoloxías subiu en todos os parámetros. A Memoria da Fiscalía de 2021 constata unha elevada suba de 93´6%. Así, as estafas por internet aumentaron 87% o ano pasado e representan case 85% do total de delitos incoados relativos á delincuencia informática, cun aumento da pornografía infantil a través das TIC, pasando de 21 a 35 delitos. Galiza Nova denuncia "o branquexamento da industria pornográfica" O acoso a menores por internet e as redes sociais aumentou de 6 a 12 casos. Os ataques informáticos subiron 183% e o descubrimento e a revelación de secretos a través destes canais incrementáronse 473%, pasando de 11 a 63. Respecto á protección do medio ambiente, os procedementos incoados aumentaron perto de 6%; 24% as cualificacións e 75% as sentenzas ditadas. Os delitos relacionados cos incendios forestais descenderon un 39% en 2021. O PP muda de opinión e oponse agora á transferencia de tráfico En materia de seguridade viaria, consta a cifra de 8.226 delitos incoados, cun aumento de 20,25%, así como de 5.680 cualificados (incremento de 19,48%) e 5.804 sentenciados (28,58% de aumento). |
NOS_14051 | Nestes doce meses esa baixada foi en máis de 25.000 persoas rexistradas no desemprego. | O paro rexistrado descendeu en maio na Galiza en 5.472 persoas, unha redución do 3,2%, na liña da media do Estado, que nese mesmo mes descendeu en 3,3%. Se a comparación a facemos co mesmo mes de 2020, os datos do Ministerio publicados esta cuarta feira indican que esa baixada foi de 25.776 desempregadas, unha diminución aquí si por riba do ritmo do Estado. Este comportamento en maio a respecto do mes anterior, abril, deuse en todos os sectores, nomeadamente no de servizos, onde o paro rexistrado baixou en catro mil persoas. En canto á afiliación á Seguridade Social, aumentou en 8.534 novos afiliados e afiliadas e sitúase por riba do millón de persoas. A 31 de maio, do total de afiliados á Seguridade Social había na Galiza 22.863 persoas afectadas por algún tipo de ERTE, o que supón 4.135 menos que o mes anterior, un 15,3 %, un descenso algo superior á media do Estado, que foi do 15,06 % no mesmo período. Galiza rexistrou un incremento dos contratos en maio, até 66.533, que son 911 máis que en abril (+1,39%) e 35.660 máis que no mesmo mes de 2020 (+115,51%). Deles, 6.385 foron indefinidos (1.078 menos que en abril, o que supón un descenso do 14,44%) e 60.148 temporais (1.989 máis, un aumento do 3,42%). No acumulado, son 303.812 contratos, a maior parte (268.880, o 88,5%) temporais. Por último, as prestacións -correspondentes ao mes de abril porque estes datos sempre saen cun mes de atraso respecto dos do paro- chegaron a un total de 102.893 galegos ese mes. |
PRAZA_1580 | O secretario xeral do PSdeG subliña que o procedemento do Garañón foi "tramitado con todos os informes favorables" e agarda que o caso non sufra "dilacións indebidas". | O PSdeG tenta xestionar o golpe político da imputación do seu secretario xeral por unha autorización urbanística concedida en 2005, na súa etapa como edil do Concello de Lugo. Tras coñecer "polos medios de comunicación" que a xuíza Pilar de Lara o cita como imputado para o vindeiro 30 de xullo José Ramón Gómez Besteiro púxose en contacto co resto da dirección galega do partido e tamén coa cúpula federal do PSOE, da que recibiu o seu apoio. Este sábado abordou a situación nunha Executiva Nacional convocada por iniciativa súa e tras a que, ademais de defender a súa "inocencia", salientou a coincidencia de "tempos políticos" e "tempos xudiciais" neste caso. O líder dos socialistas asegura sentirse "vítima" dunha "inadmisible indefensión" por saber da imputación pola prensa, pero tamén por enfrontarse a "elucubracións disparatadas". "Chégase a dicir que non se sabe de onde saen os cartos cos que pagamos o noso piso", os cales proveñen "de alto tan normal como unha conta vivenda e unha hipoteca", destaca, nun contexto no que se amosa "asbolutamente seguro de que quedará demostrado" de que a actuación urbanística en cuestión, a autorización para erguer as torres do Garañón, foi concedida "conforme á legalidade", toda vez que o "procedemento tramitado hai dez anos" contaba con "todos os informes favorables" dos técnicos municipais. O líder socialista afirma que o procedemento en cuestión foi "tramitado con todos os informes favorables" Neste contexto, e mentres lembra que aquela actuación estaba "sometida ao PXOM de 1991, aprobado polo PP", o socialista repasa a cronoloxía deste caso na súa vertente xudicial. En decembro de 2013, apenas dous meses despois de ser elixido secretario xeral, lembra, "coñezo polos medios que este mesmo xulgado investiga o único piso que posúo, ao 50% en réxime de separación de bens" e "por iniciativa propia envío" a documentación ao respecto. Besteiro destaca que o xulgado comezou a investigalo xusto despois de ser elixido secretario xeral e agora o imputa "oito días despois" de deixar de presidir a Deputación de Lugo "Nada volvo saber durante un ano e medio, o pasado 24 de xuño deixo de ser presidente da Deputación de Lugo a iniciativa propia para centrarme no traballo do proxecto socialista en Galicia e, ao día seguinte, unha empresa con intereses inmobiliarios na zona do Garañón volve enviar un escrito no que pide a miña imputación por un asunto de hai dez anos". Tan só "oito días despois", a xuíza "dá por bo" ese escrito e tramita a imputación. "Cadaquén que saque as súas conclusións sobre os tempos xudiciais e os tempos políticos", afirma. Así as cousas, Besteiro agarda que este caso non sufra as "dilacións" experimentadas por outros que tamén aborda este mesmo xulgado lucense. "As dilacións indebidas causan un forte quebranto", resalta, mentres especifica que "calquera tipo de decisión orgánica nos próximos días ou meses" a respecto do seu liderado ou da súa candidatura a ser senador por designación autónomica serán comunicadas "en tempo e forma". |
NOS_31627 | Paulo Carlos representa a lista de Compromiso que vai na lista con CiU e PNV á cita do 25 de maio. | Compromiso por Galicia presentou esta cuarta feira en Compostela os 7 integrantes da súa candidatura nas eleccións europeas. CxG preséntase nunha listaxe con formacións como o PNV, CDC ou Unió, mais faino con campaña e candidatura propia. O candidato de CxG, Paulo Carlos López puxo de relevo que as persoas que conformarán a listaxe, "posúen unha enorme capacidade de traballo e serán dignos e dignas representantes dunha Galicia viva e dinámica que queremos proxectar e defender". Xoán Bascuas, secretario xeral de CxG, insistiu en que neste precampaña e campaña, Compromiso traslará a necesidade de dar respostas aos problemas de cidadaní. "O que se decide en Bruxelas ou Estrasburgo toca cada vez máis de preto ás condicións de vida dos galegos e das galegas", afirmou, ademais de anunciar que CxG fará "un traballo proactivo e propositivo, tentando transmitir ilusión á xente", de igual xeito que "devolverlle á política a vocación de servizo público que a ten irremediablemente que caracterizar". |
NOS_28150 | Este lexislatura que agora comeza conta con novas caras no Parlamento galego. Son deputadas e deputados que no anterior mandato non estaban no Pazo do Hórreo e que este ano incorpóranse ao traballo polas súas respectivas formacións políticas. | Partido Popular A Coruña Beatriz Mato: (A Coruña, 1965). Enxeñeira industrial con especialidade en Organización Empresarial na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industrial de Bilbao. Foi delegada da Oficina Territorial do Ágape na Coruña. Deputada no Parlamento Galego desde o ano 2005. Conselleira de Traballo e Benestar desde o ano 2009. Rosa Quintana: (Brión, 1959). Doutora en Bioloxía. Foi xefa de sección de Inspección Pesqueira, xefa do servizo de Marisqueo, delegada territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura en Vigo e directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Conselleira de Mar desde o ano 2009 e de Mar e Medio Rural desde 2012. Miguel Tellado Filgueira: (Ferrol, 1974). Licenciado en Ciencias Políticas pola USC. Xefe de gabinete da Alcaldía do Concello de Ferrol (2011-2012). Foi xefe de gabinete da Consellería de Traballo e Benestar (2009-2011) e xefe de prensa do Concello de Ferrol (2003-2007). Belén do Campo Piñeiro: (A Coruña, 1963). Deputada pola Coruña na V Lexislatura (1993-1996). Senadora pola Coruña entre 1996-2008. Deputada nacional pola Coruña na IX Lexislatura. Na actualidade, Delegada Territorial da Xunta na Coruña. José Santiago Freire Abeijó: (Lousame, 1967). Licenciado en Veterinaria. Funcionario da Consellería de Sanidade e inspector veterinario de saúde pública. Alcalde de Lousame desde o ano 2003 até a actualidade e deputado provincial desde 2011. María Dolores Faraldo Botana: (Betanzos, 1959). Licenciada en Medicina e Cirurxía. Máster en Xestión Sanitaria. Foi directora do servizo especial de urxencias do Sergas; ademais de secretaria de Organización do PP provincial, así como alcaldesa de Betanzos e vicepresidenta da Deputación da Coruña. Aurelio Alfonso Núñez Centeno: (Carballo, 1958). Licenciado en Medicina pola USC. Médico por oposición desde 1983. Médico titular en Carballo desde hai 22 anos. Concelleiro do grupo popular no Concello de Carballo. Álvaro Pérez López: (A Coruña, 1973). Licenciado en Dereito, Diplomado en Ciencias Empresarias e Master en Dereito Comunitario. Foi director xeral do Gabinete da Presidencia da Xunta na última Lexislatura. Con anterioridade traballou como colaborador de Alberto Núñez Feijóo na súa etapa como vicepresidente da Xunta e conselleiro de Política Territorial. Jesús Miguel Prado Patiño: (Frades, 1957). Autónomo no sector da hostelería até 1997. Secretario do xulgado de Frades durante sete anos. Deputado provincial desde o 2001 a 2007. Alcalde de Frades desde o ano 87. Hipólito Fariñas Sobrino: (Narón, 1960). Profesor no colexio Luís Vives de Pontedeume. Candidato en Narón ás eleccións municipais nos anos 1995, 1999 e 2003. Deputado nacional en Madrid. Presidente do Partido Popular de Narón desde o ano 94 ata 2005. Concelleiro do grupo municipal popular en Narón. Lugo Raquel Arias Rodríguez: (Sober, 1966). É licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid. Alcaldesa do seu concello durante unha década, foi tamén deputada, autonómica e provincial en distintas etapas antes de asumir a responsabilidade de poñer en marcha a Delegación Territorial da Xunta en Lugo. José Manuel Balseiro Orol: (Ferreira do Valadouro, 1962) Foi director comercial dunha empresa durante 16 anos, e coordinador do equipo de venda no Estado español e Portugal. Durante as dúas últimas lexislaturas foi deputado autonómico do PPdeG pola provincia de Lugo. Nesta última, ademais, foi elixido como Secretario da Mesa do Parlamento. Susana López Abella: (Chantada, 1967) Realizou estudos de Ciencias Empresariais na Facultade de Empresariais de Vigo. Colexiada en Xornalismo, foi delegada e locutora de Radio Faro Chantada (Cadena SER) entre os anos 1990-99. Foi deputada no Parlamento. Na lexislatura que remata, foi secretaria xeral de Igualdade da Xunta. Jaime Íñiguez Martinez: (Sarria, 1958). Licenciado en medicina pola USC. Médico de familia en Sarria desde o ano 1990. Concelleiro do PP pola anterior lexislatura, na actualidade é membro da Executiva local. Vidal Martinez: (São Paulo, Brasil, 1960). Licenciado en Veterinaria pertence ao Corpo Superior Facultativo da Xunta. Alcalde de Lourenzá, durante esta lexislatura foi tamen xefe territorial da Consellería do Mar el Lugo até o ano 2010. Pontevedra Alfonso Rueda: (Pontevedra, 1968). Licenciado en Dereito pola USC. Funcionario de Administración Local, foi secretario nos concellos de Cervantes, A Cañiza e Cambados. Director xeral de Administración Local da Xunta no 2000 e Secretario Xeral do PPdeG en 2006. Conselleiro de Presidencia desde 2009. Javier Guerra: (Vigo, 1964), Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola USC. Empresario. Concelleiro Delegado de Economía, Facenda, Persoal, Patrimonio e Contratación en Vigo, en 2008 foi elixido deputado no Congreso por Pontevedra, cargo no que cesou en 2009 para ser nomeado conselleiro de Economía e Industria. Elena Muñoz: (Madrid, 1971), Licenciada en Ciencias Económicas pola Universidade de Vigo, na especialidade de Economía Pública. Exerceu como xefa do Servizo de Fiscalización e Contabilidade na Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e no Servizo de Control Financeiro de Operacións Correntes. Desde xaneiro de 2012 foi conselleira de Facenda da Xunta. Agustín Hernández: (Madrid, 1961). Enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos pola Universidade Politécnica de Madrid é funcionario do Corpo facultativo Superior da Xunta e diplomado pola Escola Galega de Administración Pública. Conselleiro desde 2009 de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. José Manuel Coures: (Oubiña-Cambados, 1958) Foi vicepresidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas. En 1987 foi tenente alcalde de Cambados e en 1998 accedeu á alcaldía deste concello, cargo que desempeñou até 2009, cando foi nomeado delegado territorial da Xunta. Tamén foi senador por Pontevedra. María Nava Castro: (Ponteareas, 1969) Licenciada en Filoloxía Hispánica. Aos 23 anos pon en marcha Novas Xeracións en Ponteareas e en 1997 é elixida deputada autonómica. Foi tenente alcalde de Ponteareas. En 2008 foi elixida deputada no Congreso e logo directora xeral de Comercio da Xunta. Berta Pérez Hernández: (Cangas, 1974). É diplomada en Fisioterapia pola Universidade de Vigo. Tenente de alcalde no Concello de Cangas desde 2011. Ourense Jesús Vázquez Abad: (Nuremberg, 1967). É Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola USC. Foi administrativo no Banco Gallego S.A. Foi deputado do PP por Ourense no Congreso desde 2008 a 2009, ano no que foi nomeado conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta. En xaneiro de 2012 pasou a asumir tamén as competencias de cultura. Carmen Pardo López: (París, 1971). Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais pola USC, doutorada en Turismo pola Universidade Antonio de Nebrija e máster en UE. Foi teniente de alcalde de Verín dende 2007 e Directora Xeral para o Turismo da Xunta desde 2009. Antonio Mouriño Villar: (Celanova, 1954) Administrativo de profesión, é alcalde de Celanova dende 1991 e deputado provincial dende 1995. Foi presidente do Inorde entre 1999 e 2007 e é o actual presidente da Fundación Curros Enríquez. Membro do Comité de Dirección Provincial do PP de Ourense. Moises Blanco Paradelo: (O Barco, 1977). Diplomado en Ciencias da Educación, especialidade en Educación Musical pola USC, é mestre de Educación Primaria do Colexio Divina Pastora do Barco. Concelleiro do PP de O Barco dende 2003, sendo candidato á alcaldía en 2007 e 2011. Deputado Provincial entre 2007 e 2011. PSOE A Coruña Francisco Caamaño Dominguez: (Cee, 1963) foi ministro de Xustiza do Estado español entre 2009 e 2011. Licenciado e doutor en Dereito pola USC, na que era profesor axudante e profesor titular de Dereito Constitucional. José Antonio Sánchez Bugallo: (Teixeiro, 1954) foi alcalde de Compostela desde decembro de 1998 até as eleccións municipais de 2011. Lugo Juan Carlos González Santín: (Lugo, 1967). Foi director na tesoureria da Seguridade Social en Lugo como funcionario do corpo superior de Intervención e Contabilidade da Administración da Seguridade Social. É secretario de Organización do PSOE de Lugo. José Ramón Val Alonso: (Foz, 1980). Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC (1999-2004), con postgrao en Especialización en Economía Pesqueira tamén na USC (2005). En 2006 foi nomeado Delegado Territorial da Consellería de Pesca en Lugo, cargo que desempeñou até 2009. Vicente Docasar Docasar: (Monforte de Lemos, 1957): Profesor desde hai 30 anos, actualmente era director do IES Daviña Rei de Monforte. Responsábel da federación de ensino de UGT en Monforte. Pontevedra Patricia Vilán Lorenzo: (Pontevedra, 1970): Licenciada en Dereito pola USC e profesora do programa de maiores da Universidad de Vigo desde 2006. Membro da Executiva local del PSOE pontevedrés. Pablo García García: (Silleda, 1972): Diplomado en Maxisterio, foi secretario de Organización de Unións Agrarias entre 2003 e 2009. Na actualidade era responsábel de Organización do PSdeG e senador por designación autonómica. Ourense Raúl Fernández Fernández: (Castrelo do Val, 57 años): Mestre de Educación Primaria desde 1982, foi alcalde de Castrelo do Val entre 1987 e 2005, cando foi designado delegado territorial da Consellería de Política Territorial. É o secretario provincial do PSdeG de Ourense. BNG A Coruña Francisco Jorquera Caselas: (Ferrol, 1961). Licenciado en Xeografía e Historia pola USC, membro fundador dos Comités Abertos e militou na Asemblea Nacional-Popular Galega até 1982. Foi senador (2005-2008) e deputado pola provincia da Coruña e portavoz do BNG no Congreso desde 2008. Lugo Cosme Pombo Rodríguez: (O Incio, 1956). Mestre de primaria no CEIP Frei Luís de Granada de Sarria. Foi concelleiro e portavoz municipal do BNG no Concello do Incio dende 1995 a 2007 e deputado provincial na Deputación de Lugo de 1995 a 2003. Vinculado ao mundo asociativo e cultural, é membro fundador da Asociación Cultural A Ouriceira e do grupo Xarín, gaiteiros do Incio. Pontevedra Montse Prado Cores: (Cambados, 1965). Diplomada en Maxisterio e licenciada en Xeografía e Historia pola USC. Traballaba como celadora do Sergas até a súa dedicación exclusiva á política, na actualidade é a secretaria de organización do BNG e membro da súa executiva nacional. AGE A Coruña Xosé Manuel Beiras: (Compostela, 1936), político e economista, portavoz nacional de Anova Irmandade Nacionalista. Catedrático de Estructura Económica da Facultade de Ciencias Económicas na USC e ex académico numerario da RAG. Yolanda Díaz: (Fene, 1971) Coordinadora da federación galega de Izquierda Unida (Esquerda Unida-Izquierda Unida) desde 2005. Licenciada en Dereito pola USC. Foi primeira tenente alcalde de Ferrol até 2008. Antón Sánchez García: (Filipinas, 1974). Enxeñeiro agrícola e horticultor ecolóxico, membro activo do Sindicato Labrego Galego. concelleiro en Bergondo (A Coruña). Xavier Ron Fernández: (Francia, 1969). Licenciado en Filoloxía Románica pola USC, é docente de lingua francesa no instituto de Pontecesures. Activista político e social, milita no Partido Comunista. Coordinador de EU-IU en Compostela. Lugo Ramón Vázquez Díaz (Lugo, 1973) É mestre e orientador de Primaria. Nas anteriores eleccións municipais foi o número dous de EU-IU por Lugo. Pontevedra Juan Manuel Fajardo Recouso: (Vilagarcía de Arousa, 1974). Concelleiro en Vilagarcía por Izquierda Unida-Esquerda Unida, é traballador informático. Consuelo Martínez García: (Vigo, 1961). Diplomada en Maxisterio e Enfermería, traballou en Povisa até 2009, empresa na que foi delegada sindical. Está vencellada ao sindicalismo nacionalista. Eva Solla: (Vigo, 1984) Enfermeira do Complexo Hospitalario de Vigo, responsábel de Saúde de Esquerda Unida-Izquierda Unida de Vigo. Ourense David Fernández Calviño: (Ourense, 1979). Científico de profesión, profesor da Universidade de Vigo. Foi concelleiro nacionalista en Toén tres lexislaturas. |
NOS_29847 | Terceira xornada do xuízo contra 12 independentistas galegos. Declaracións de peritos e membros das forzas de seguridade, tamén de testemuñas propostas pola defensa. | O motivo que leva a 12 independentistas galegos a sentar no banco dos acusados da Audiencia Nacional é que a Garda Civil considera que na Galiza hai un 'entramado' que se dedica a enaltecer terroristas. En base a esta visión, defendida pola Fiscalía, Causa Galiza e Ceivar (para as que se pide a ilegalización) son a plataforma encargada de tal finalidade. O "entramado" apareceu en varias ocasións nas declaracións de membros das forzas de seguridade nesta terceira sesión. Apareceu para falar da existencia dunha conexión e coordinación entre Causa Galiza e Ceivar. "Pero cal é o entramado?" chegou a preguntar o proio xuíz Alfonso Guevara. "Está documentado", mantivo o garda civil que investigou a documentación e material inacutado a Causa Galiza. "Non nos consta en ningún informe", retrucou a Defensa. Nestas tres xornadas decorridas na Audiencia Nacional se algo ficou claro é que ambas as dúas organizacións realizaban os seus actos públicos no marco da legalidade e cumprindo coa comunicación debida dos mesmos ás autoridades pertinentes. Ningún destes actos foi suspendido polas autoridades ou forzas de seguridade. Porén, a acusación sitúa as actividades da celebración do Día da Galiza Combatente como unha das bases para construír o relato de "enaltecemento do terrorismo". A defensa preguntou á Garda Civil, acto por acto, e xa que estes eran acobillo de 'enaltecementos', "que expresións enaltecedoras" se dixeran nos mesmos. Non houbo resposta ao caso.Declararon tamén na xornada de hoxe persoas que participaron nalgúns dos actos do Día da Galiza Copmbatente, como o historiador Xesús Sanxoás ou o politólogo Xavier Sánchez Pazos, que explicaron que interviran nas palestras para falar de diversas cuestións históricas e políticas da Galiza, que é o que se facía nestas conmemoracións. En todo caso, actos nos que non houbo "enaltecemento". "A loita continúa" Lemas como "A loita é o único camiño" ou "A loita continúa" tamén estiveron presentes nesta xornada. Para algúns peritos das forzas da seguridade, o independentismo "radical" xulgado apoia e defende usar medios "legais e ilegais" para os seus obxectivos. As mencionadas consignas situaríase nesa liña de enaltecemento Desde a defensa lembróuselle que esas consignas e lemas eran tamén propias de mobilizacións de organizacións sindicais, sen que diso se puidese determinar que se estivese a xustificar a violencia. O propio perito que investigou as redes sociais de Causa Galiza recoñeceu que nestas falábase de "loita" mais "en ningún caso falaba de loita armada". Esta quinta feira continúa o xuízo na Audiencia Nacional. |
NOS_24389 | O comité de empresa de Navantia en Fene e Ferrol sumouse onte á cadea de mobilizacións convocadas en todo o Estado para reclamar a creación do fondo de compensación para as vítimas do amianto. | A reivindicación dun fondo de indemnización chegou por primeira vez ao Congreso dos Deputados en 2016, procedente da Cámara vasca, mais as sucesivas disolucións anticipadas das Cortes adiaron a súa tramitación. En abril deste ano, todas as formacións políticas do Congreso, a excepción de Vox, deron luz verde á tramitación da proposición de lei presentada polo Parlamento vasco para impulsar ese fondo estatal de compensación ás vítimas do amianto, un material de construción prohibido desde decembro de 2001 que en todo o Estado provocou desde 1999 a morte dunhas 7.000 persoas traballadoras. Son as cifras oficiais, pero a mortalidade derivada do asbesto estímase moi superior. Aínda hoxe, dúas décadas despois do seu veto definitivo, non todos os operarios que mantiveron durante anos unha exposición prolongada a este material canceríxeno lograron o recoñecemento dunha doenza profesional que na Galiza afecta unhas 17.000 persoas do naval, da construción e mesmo do ámbito ferroviario ou militar. Anos de demoras "Estamos nun momento crucial para facerlle ver ao Goberno do Estado que ten que acelerar o trámite da proposición de lei que prevé a creación do fondo de compensación para as vítimas do amianto", sinala a Nós Diario Xoan Xosé Pita, presidente de Agavida, a Asociación Galega de Vítimas do Amianto. "Levamos moito tempo de atraso e vemos que a tramitación da lei non arranca". Esta tardanza impulsou a unión de colectivos de vítimas de todos os territorios, que se concentraron no Congreso e diante das empresas que máis contacto tiveron co amianto e máis comprometeron a saúde dos seus traballadores e das súas familias. Na Galiza, a protesta convocada polo comité de Navantia tivo lugar diante da porta do estaleiro en Ferrol e contou co apoio das principais centrais sindicais mais do comité intercentros de Navantia que conecta a actividade na comarca de Ferrolterra coa de Cartaxena e Cádiz. A mobilización de vítimas e colectivos afectados polo amianto serviu, ademais, para denunciar a burocracia e as demoras que padecen desde hai anos no ámbito da sanidade e tamén no xudicial. "Día a día seguimos atopando trabas e demoras nas revisións médicas dos afectados; atrasos nas resolucións da Seguridade Social, encargada de facer o recoñecemento das incapacidades e tamén os recargos das prestación, e grandes dilacións nos xulgados", detalla Xoan Xosé Pita, até o punto de que moitos xuízos chegan a fixarse cando a vítima xa faleceu. Entre 1999 até 2018, na Galiza morreron a causa de mesoteliomas malignos unhas 400 persoas, unha enfermidade que nalgúns territorios aínda seguen a atribuír ao tabaco. "Seguen sen recoñecer que o verdadeiro causante deste cancro é o amianto", un material moi rendíbel para a industria polas súas propiedades e o seu baixo custo, comercializado por Uralita e perigosos en todas as súas variedades: azul, marrón e branco. O risco está na inhalación das fibras máis pequenas, invisíbeis pero potencialmente letais. Indemnización sen necesidade de proba O fondo de compensación para vítimas do asbesto busca recoñecer indemnizacións ás persoas afectadas como un acceso obxectivo a estas prestacións. "Agora mesmo, para que te atendan e che recoñezan a enfermidade profesional tes que demostrar que a túa doenza se debe á exposición ao amianto e que a empresa na que traballabas emprega ese material". Todo o esforzo corresponde ás vítimas. "Moitas atópanse con que as súas empresas desapareceron, polo tanto non teñen a quen reclamar". Outras continúan a negar que utilizasen amianto de forma habitual. O fondo estatal, inspirado no modelo de compensación francés, "viría a suprimir todas as trabas coas que se atopan agora as vítimas que deciden emprender unha loita particular por ver recoñecida a súa doenza profesional" e a vulnerabilidade asociada. |
NOS_2564 | A empresa, Talleres Mecánicos Galicia, recoñeceu a improcedencia da medida no acto de conciliación no SMAC, segundo a CIG. | Talleres Mecánicos Galicia, empresa sita en Narón, rescindiu o contrato a un traballador por demandar este ao propietario da compañía que o tratase con respecto. Denúnciao a CIG, que insiste en que o despedimento foi por se arrepor "á actitude despótica do propietario, Roberto Derungs", e pedir "un tratamento respectuoso". A empresa, indica o sindicato, alegou motivos disciplinarios para xustificar esta medida, circunstancia pola que o traballador acudiu a asesoría xurídica da CIG para presentar demanda por despedimento improcedente. A central informa que Talleres Mecánicos Galicia recoñeceu a improcedencia do despedimento no propio acto de conciliación no SMAC de Ferrol, pagando ao traballador os 39.000 euros da indemnización que legalmente lle corresponden. CIG lembra que esta empresa "mantén o seu persoal rotando de xeito permanente entre as dúas sociedades constituídas (Talleres Mecánicos Galicia e Insder) para non ter que recoñecerlle a antigüidade e que trata o seus traballadores e traballadoras de maneira absolutamente irrespectuosa". |
NOS_16549 | Un novo informe do Consello de Europa alerta da redución do galego polo decreto de plurilingüísmo e a súa desprotección nos territorios de fala galega de Asturias e Castela León. Recomenda ao Estado a promoción das diferentes realidades lingüísticas. | "Na súa teima contra o galego o PP provoca vergoña allea en Europa", sinalou o presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira,unha vez coñecido o informe do Comité consultivo do Convenio Marco para a protección das minorías nacionais que cuestiona o trato do Estado español sobre a pluralidade lingüística. O Comité consultivo do Consello de Europa insiste na necesidade de que o Estado se axuste ao convenio e se implique na promoción e protección das linguas propias como o galego, máis alá do que se recolle na lexislación autonómica. En concreto, o Comité alerta do retroceso para o galego que supuxo a aplicación do chamado decreto de plurilingüísmo que supuxo a redución desde a metade a un terzo como máximo nas etapas obrigatorias. Ademais, chama a atención face a desprotección da lingua en zonas de fala galega pertencentes a Asturias e Castela-León, situación agravada pola aprobación da LOMCE. Reclama, polo tanto, ao Estado, que amplíe a aplicación do Convenio consonte á realidade plurilingüe, activando medidas de promoción e canles de diálogo coas entidades que, como a Mesa pola Normalización Lingüística, pulan pola normalización das linguas. O Consello de Europa indica tamén a conveniencia de crear algún organismo público para garantir a comunicación con estas entidades a prol das linguas do Estado. "Vergoña allea" "Que varios organismos internacionais mostrasen preocupación sobre a situación da lingua galega e as consecuencias a actitude do goberno galega e español, debería facer ruborizar o presidente da Xunta, porén, lamentabelmente é ao revés, e é fóra da Xunta e do Goberno español onde ruborizan de vergoña allea ao ver o desprezo que mostran pola nosa lingua e a pluralidade lingüística do Estado", sinala o presidente da Mesa que en xullo de 2014 se entrevistou con representantes do comité para lles expor as consecuencias do decreto e a desaparición do galego na educación infantil das cidades, ademais das consecuencias a aprobación da LOMCE. Ademais de ao Consello de Europa, a Mesa dirixiuse a outros organismo internacionais como a UNESCO e o Consello de Dereitos Humanos da ONU coa vontade de dar a coñecer tanto a situación pola que atravesa a lingua como as mobilizacións sociais que reclaman o uso normal do galego. |
PRAZA_658 | O presidente da Xunta fixo campaña en municipios de Andalucía a priori favorables para o PP. No maior deles, a cidade de Huelga, os conservadores perderon vinte puntos e deixaron de ser primeira forza. | O descoñecido Juan Manuel Moreno Bonilla, gran derrotado das eleccións andaluzas do pasado domingo, tivo múltiples convidados nos seus actos de campaña. Os populares tentaron compensar o gran descoñecemento cidadán do secretario de Estado enviado por Mariano Rajoy para o lugar historicamente ocupado por Javier Arenas con diversas visitas. Ademais do propio Rajoy, fondamente implicado na campaña, tamén o presidente galego, Alberto Nüñez Feijóo, foi enviado a Andalucía, concretamente a actos en municipios a priori favorables para a dereita e nos que, malia todo, o PP tamén saíu erosionado da cita coas urnas. A poboación de maior dimensión visitada por Feijóo durante a campaña, a cidade de Huelva, foi tamén a cidade das aguilladas polo presidente da Xunta na que o seu partido saíu peor parado. Así, do 43,33% dos votos de 2012 pasou ao 26,49%, unha caída de máis de 10.000 votos e case vinte puntos que implicou ademais perder a condición de primeira forza política a prol do PSOE. Ese intercambio de posicións entre socialistas e populares produciuse tamén en Cartaya, outra das localidades nas que o líder do PPdeG fixo campaña por Moreno Bonilla e onde PP perdeu tameń case vinte puntos. Feijóo foi enviado a municipios a priori favorables para o PP; retrocedeu en todos e en dous deles perdeu o primeiro posto, recuperado polo PSOE Nos outros catro municipios nos que Feijóo pediu o voto para o seu homólogo andaluz o PP deu aguantado como primeira forza, pero en todas elas con importantes retrocesos. En El Ejido e Adra -ambos concellos ubicados en Almería, única provincia na que se impuxo o PP- os populares perderon doce e once puntos, respectivamente, e deixaron polo camiño uns 3.000 votos. en La Palma del Condado a caída foi tamén duns once puntos e en Lepe, onde Feijóo pechou a campaña andaluza, o retroceso foi de case doce puntos. O presidente da Xunta cualificou os socialistas de "mal endémico" nas súas intervencións para apoiar a Moreno Bonilla Estes foron os resultados populares nuns concellos nos que Feijóo se amosou convencido de que "a meirande parte de andaluces sabe que o único mal endémico que ten Andalucía se chama Partido Socialista", formación á que culpou de que a comunidade andaluza "siga no furgón de cola de España". "¡Tenéis potencial en todos los cantos de esta tierra menos en la Junta de Andalucía!", asegurou o presidente da Xunta nun dos seus mitins, nos que tamén situou o seu Goberno como paradigma de "defensa do público". Segundo o líder dos populares galegos o que se dirimía nos comicios do domingo era se "os andaluces van pasar os próximos cator anos discutindo ou gobernando", se querían continuar coa socialista Susana Díaz ou apostar por "un político distinto, co que se pode facer algo distinto". "Con Juanma Moreno todos sairemos gañando", auguraba Feijóo corenta e oito horas antes do duro pau sufrido polos seus compañeiros de filas. Besteiro: "Os andaluces elixiron unha nova xeración de socialismo que puxa forte no seu primeiro test electoral" Mentres que, nas primeiras horas do luns, non xurdiu reacción ningunha do PP galego a respecto do acontecido en Andalucía o PSdeG si valorou o resultado. Antes de participar en Madrid no Comité Federal do PSOE o líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, amosou a súa ledicia polo "triunfo claro do PSOE" fronte á "debacle do PP" e tamén ante a "entrada de partidos minoritarios con menos forza da prevista". "Os andaluces -di Besteiro- elixiron futuro" e "unha nova xeración de socialismo" que "puxa forte no seu primeiro test electoral", o que dende o seu punto de vista indica que "o socialismo forma parte da axenda de futuro da cidadanía". Especial eleccións andaluzas en eldiario.es |
PRAZA_21104 | A cooperativa audiovisual Xarda presenta o primeiro vídeo dunha serie sobre problemas, movementos e iniciativas do rural galego. A peza céntrase no desmantelamento da sanidade pública e da atención primaria, coa intervención de persoal sanitario, activistas e representantes da Asociación Galega pola Defensa da Sanidade Pública ou Pediatras e Matronas Xa. | A cooperativa audiovisual Xarda vén de publicar un vídeo sobre a situación da sanidade no rural galego, centrándose no desmantelamento de servizos e nas demandas expresadas pola cidadanía destas comarcas. A peza é a primeira dunha serie (baixo o título de "Lugar de") sobre problemas, movementos e iniciativas do rural galego, que será continuada por un vídeo sobre o ensino no rural.O vídeo céntrase no desmantelamento da sanidade pública e da atención primaria, coa intervención de persoal sanitario e activistasXarda céntrase en catro puntos principais de reivindicación: falta de recursos humanos, peches de servizos como o de pediatría, aumento das consultas telefónicas e a falta de transporte público que conecte ás persoas cos seus centros de saúde. Tamén recolle críticas cara a nova reforma da Lei de Saúde e a perda dunha sanidade baseada na prevención ao tempo que se afonda nun modelo 'hospitalcentrista'.Entre as voces que participan están Xosé María Dios Diz, representante da AGDSP; Vanessa Viquendi, representante de Pediatras e Matronas Xa; as médicas Alicia Barreiro e Xoán Casas e a activista Mayka CacheiroAo longo dos 20 minutos do vídeo, escoitamos a profesionais sanitarios e activistas, que afondan na situación concreta que se vive en Outes, A Baña, Baio, Mazaricos e Fisterra. Entre as voces que participan están Xosé María Dios Diz, representante da Asociación Galega pola Defensa da Sanidade Pública (AGDSP); Vanessa Viquendi, representante de Pediatras e Matronas Xa; as médicas Alicia Barreiro e Xoán Casas e a activista Mayka Cacheiro."A idea era amosar os problemas que existen no rural e tamén as iniciativas da xente que vive nestas zonas. A xente ten moitas ganas de falar do que lle está acontecendo, explica Elena Martín Lores, que destaca que "tentamos que fale xente anónima, fuxindo de fontes oficiais, dándolle voz a xente que vive no rural e que ao final é quen mellor coñece a súa situación e o que necesita"."Asentarse no rural é moi dificil, queda moi bonito nun spot publicitario, pero no momento que faltan todos os servizos pois evidentemente a xente nova pensa se vir", di unha das entrevistadasA peza incide, igualmente, nas dificultades e obstáculos que os problemas crecentes que se viven na atención sanitaria (ao igual que noutros servizos públicos) xeran para vivir nos concellos do rural. Como di Mayka Cacheiro, unha das entrevistadas: "Asentarse no rural é moi dificil, queda moi bonito nun spot publicitario, pero no momento que faltan todos os servizos pois evidentemente a xente nova pensa se vir. Porque vivir no rural supón un custo é unha perda de dereitos e de garantías". Como tamén dicía a economista María do Mar Pérez Fra nesta entrevista: "Non imos repoboar o rural a base de heroes e de heroínas. Demandamos unhas condicións de vida mínimas".Elena Martín Lores subliña que a escolla da sanidade para abrir a serie de vídeos de 'Lugar de' parte do seu carácter "fundamental". "Se non hai sanidade no rural, non pode haber nada máis. "Ademais, queríamos denunciar o proceso de desmantelamento da atención primaria, que é a clave para evitar o colapso dos hospitais. Con máis razón no contexto no que estamos a vivir", di.O segundo vídeo da serie, que se publicará en breve, está centrado nos problemas do ensino no ruralO proxecto 'Lugar de', que conta co apoio da Deputación da Coruña, inclúe tamén artigos escritos, centrados nas mulleres deportistas no rural, os cantos e bailes tradicionais e o seu papel na conservación da memoria ou a historia e cultura contidas en obxectos que constitúen verdadeiros tesouros etnográficos e patrimonio material.O segundo vídeo da serie, que se publicará en breve, está centrado nos problemas do ensino no rural, dende a recente problemática do trasporte escolar no Courel, ao peche das escolas unitarias e demais eivas que están a sufrir moitos concellos de todo o país. A serie de 'Lugar de' continuará con tres vídeos máis: un sobre muralismo e arte no rural, outro sobre cultura e os distintos movementos e iniciativas que traballan alí e outro sobre feminismo e LGTBI nestas zonas.Que é Xarda?Xarda é unha cooperativa que ofrece servizos de comunicación, especialmente centrados no xornalismo audiovisual. Naceu o pasado ano cun ideario "feminista, antirracista, antifascista, ecoloxista e que cre na cooperación entre as persoas" e na súa web pódense ver algúns exemplos dos traballos realizados ata agora."Nacemos hai case un ano, coincidindo co inicio da pandemia, coa idea de facer audiovisual xornalístico. En realidade era o traballo que xa viñamos facendo, pero queríamos contar cun lugar para reunir todas as nosas pezas, promocionar o noso traballo ou buscar financiamento. Colaboramos con varios medios de comunicación e temos traballado tamén con varias cooperativas e organizacións sociais", explica Elena Martín Lores. |
NOS_54320 | Boa parte dos candidatos interviron na lingua propia de Catalunya embora a recomendación de facelo en castelá. para que se lles "entendese en toda España". | O debate de candidatos ás eleccións á Generalitat do 14 de febreiro que decorreu este domingo en 'prime time' na canle 24 horas de RTVE e na desconexión de 'La 1' para Catalunya chegaba xa cun malestar de fondo: o reflectido polos propios traballadores e traballadoras de Televisión Española (TVE) en Catalunya. Un malestar, como expresaron nun comunicado, que atinxía diversas cuestións. Por exemplo, a lingua: "É a primeira vez que un debate de candidatos organizado por TVE nunhas eleccións catalás emítese nada máis que en castelán pola TVE". A isto engadían o seu desacordo polo feito de que "o presentador escollido [para moderar o debate] non sexa un profesional de RTVE-Catalunya. Aquí hai profesionais sobradamente capacitados para exercer de moderador e que, ademais, están en contacto diario coa realidade social e política catalá (...) e con experiencia en programas dese formato a nivel catalán e estatal". Manifest dels treballadors d'Informatius de @RTVECatalunya sobre el format i el presentador triats per al debat de les Eleccions al Parlament de Catalunya. pic.twitter.com/FTuNoOrMf2— Oriol Nolis (@OriolNolis) January 29, 2021 Así pois, ao debate electoral chegábase con debate dentro do medio público español e tamén, como xa é norma para ben e para mal, nas redes sociais. O xornalista moderador do debate de TVE entre os candidatos nas eleccións catalás era o galego Xabier Fortes. Despois de formular unha pregunta sobre o impacto da pandemia na política, a economía e as relacións sociais, deu a palabra ao candidato de ERC, Pere Aragonès, que respondeu en catalán. Fortes tomou entón a palabra e pediu que os candidatos utilizasen o castelán neste debate co argumento de que "xa se celebrarán dous debates en catalán". Ademais, engadiu que desta maneira "poderase entender o debate fóra de Catalunya". Lembrando que "case todos vós, dicides que ás veces se vos entende pouco fóra de Catalunya." "Imaxinade nove tradutores para nove intervencións, o cruzamento das intervencións sería demasiado complicado", engadiu o moredador, e asegurou que "noutros territorios con lingua propia como Galiza estarían encantados de ter dous debates en galego e un en castelán". En calquera caso, aclarou, dirixíndose aos candidatos, "a decisión é súa". E a decisión de boa parte deles (ERC, Junts, CUP, PDeCat e Comúns -se ben a súa candata tamén empregou o castelán-) foi a de facelo en catalán. |
NOS_40553 | O descenso da confianza das empresas galegas coa situación actual, nun contexto marcado pola guerra en Ucraína e a alza dos prezos, é superior que no conxunto do Estado español. | O indicador de confianza empresarial descendeu 4,1% no último trimestre na Galiza en relación co período anterior, máis que a caída rexistrada pola media do Estado español (-2,9%), segundo os datos que publica esta segunda feira o Instituto Nacional de Estatística (INE). En comparación cun ano atrás, a confianza empresarial no país experimenta tamén unha diminución, en concreto de 2,24%. No que atinxe ás opinións a respecto do trimestre que comeza —expectativas—, foron favorábeis para 9,9% dos enquisados, normais para o 63,5% e desfavorábeis para o 26,6%, cun saldo negativo de -16,7 puntos. O IPC situouse na Galiza en 9,2% en setembro, co prezo dos alimentos outra vez en máximos A respecto desta situación, son optimistas 15,9% dos preguntados, normais o 61,6% e pesimistas o 22,5%, o que arroxa tamén un saldo negativo, se ben é menos pronunciado (-6,6 puntos). Datos estatais O Indicador de Confianza Empresarial Harmonizado (ICEH), cuxa publicación corresponde ao INE, baixou un 2,9% no último trimestre a nivel estatal en relación ao trimestre anterior, en contraste coa suba de 7,5% experimentada nos meses de verán. O retroceso da confianza empresarial rexistrado no último trimestre débese ao empeoramento tanto do indicador de expectativas como do indicador de situación actual, nun contexto marcado pola guerra en Ucraína, unha elevada taxa de inflación, altos prezos das materias primas e subas dos tipos de interese. A suba dos tipos encarece as hipotecas 2.000 euros ao ano En concreto, o balance de expectativas —diferenza entre as opinións dos empresarios optimistas e os pesimistas— situouse en -11,8 puntos, fronte ao descenso de 4,2 puntos rexistrado no trimestre anterior. De acordo cos datos do INE, dos cinco sectores económicos analizados o que máis recortou a confianza neste trimestre foi a industria (-4,8%), seguido dos outros servizos e do transporte e a hostalaría (-2,9% en ambos os casos), o comercio (-2,1%) e a construción (-0,6%). |
NOS_715 | Un documento pendurado fugazmente na canle Telegram de Carolina Bescana revela un hipotético pacto desta con Íñigo Errejón para lle mover a cadeira a Iglesias. Errejón nega calquera conxura para liquidar o líder do partido morado. | Un aparente desliz de Carolina Bescansa pon ao nú as fendas no edificio podemita: a co-fundadora da organización, caída hai uns meses en desgraza, tentaría voltar á primeira liña cun pacto con Errejón non só para a conquista da comunidade autónoma de Madrid (a política compostelá iría de número 2 na candidatura), senón tamén con vistas a remover Pablo Iglesias da secretaría xeral de Podemos. Iso é o que se desprendería dun documento que Bescansa tería deixado ver fugazmente en Telegram. O escrito leva por título "Propuesta-borrador de acordos na negociación conducente á constitución dunha candidatura de unidade nas primarias de Podemos naCAM" e apenas foi visíbel durante un breve espazo de tempo, despois do cal foi borrado. O pacto contido nesa proposta rascuño pasaría por Bescansa apoiar Errejón en Madrid e este respaldar a aquela quer nas primarias para a candidatura morada para as eleccións xerais quer na próxima, a III, Asemblea Cidadá, o máximo órgao de Podemos. |
NOS_19090 | O ex tesoureiro emite un comunicado en que nega a existencia dunha contabilidade B. | Bárcenas nega todos os estremos da información publicada hoxe por El País -que non deixa de ser corolario das divulgadas días atrás por El Mundo. O que non precisa no comunicado é como deu acumulado 22 millóns de euros nunha conta en Suíza. A tensión é máxima na capital do Estado. Rajoy convoca de urxencia unha cimeira de dirixentes do partido para o vindeiro sábado, mentres a esquerda parlamentar -toda agás o PSOE- exixe a súa demisión. |
NOS_15063 | "A sentenza do Tribunal Superior agora ratificada polo Supremo ataca elementos da política de normalización da lingua completamente asumidos e apoiados maioritariamente polo pobo galego. Utiliza prexuízos ideolóxicos e políticos subministrados pola extrema dereita". Con esta contundencia se expresa Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. | "Agride a lingua galega e as persoas que queren utilizala. Fortalece a consideración do galego como un idioma inferior", engade. A indignación de Maceira déberse á "sentenza ideolóxica" co que o Tribunal Supremo rexeia o recurso do Concello de Lugo contra o ditame do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que, no seu día, anulou parcialmente a ordenanza de normalización lingüística de Lugo. Esta fora aprobada en pleno por unanimidade. Entre os elementos cuestionados atópanse a rotulación en galego das sinalizacións, o carácter de lingua propioa oficial de Galiza e as súas institucións, a formación do funcionariado ou o dereito a empregar o galego con normalidade. "O Supremo pretende pór límites á oficialidade da lingua galega e impedir que se manteña en situación de igualdade respecto do castelán", denuncia A Mesa, "e estabeñece uns máximos que o galego non debe traspasar baixo ningún concepto". O documento xudicial "legaliza e lexitima a discriminación de usuarios e usuarias de servizos públicos por razón de lingua". E contravén, lembra a asociación que preside Maceira, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, subscrita polo Estado español, que prescribe "o compromiso de garantir as linguas rexionais ou minorizadas na prestación dun servizo tanto polas autoridades administrativas como polas persoas que actúen no seu nome". "O Supremo e o Superior renegan con esta sentenza da Xustiza", afirma Maceira, porque "que xustiza hai nunha sentenza que pretenda manter a exclusión histórica do galego, a súa invisibilización, e mantela inaudíbel e invisíbel na administración local e en todos os servizos que ofrece a través de empresas privadas?". A Mesa pola Normalización Lingüística avisa ademais de que iniciará accións conxuntas coa plataforma Queremos Galego contra a sentenza e anima "a sociedade galega a se mobilizar e manifestar o seu rexeitamento a unha aldraxe contra a dignidade do pobo galego". |
PRAZA_1015 | Unha petición online sinala que a cidade só conta con dous centros públicos, no Casco Vello e no Calvario, fronte aos oito dos que dispón A Coruña, con menos poboación. A oferta complétase en Vigo con algunas bibliotecas dependentes de Afundación, a universidade e outras entidades | Necesita Vigo máis bibliotecas? Así o denuncia unha petición online aberta en change.org que xa supera as catro mil sinaturas. Sinala que a cidade só conta con dous centros públicos, a Biblioteca Central, no Casco Vello, e a Biblioteca Xosé Neira Vilas, no Calvario, fronte aos oito dos que dispón A Coruña, con menos poboación. A petición subliña que na cidade olívica non existe unha rede municipal de bibliotecas como hai en calquera cidade española do mesmo tamaño ou máis pequena. "É unha vergoña para Vigo, e para todas as cidadás e cidadáns desta cidade", engade. A petición dirixe persoalmente a súa demanda aos principais candidatos e candidatos á alcaldía da cidade nos comicios do 24 de maio, Abel Caballero (PSdeG-PSOE), Elena Muñoz (PP), Serafín Otero (BNG) e Rubén Pérez (Marea de Vigo), solicitándolles que "se comprometan a crear unha rede de bibliotecas municipais en Vigo". "As bibliotecas garanten o dereito de todas as persoas a acceder á cultura (libros, música, cines e actividades culturais) independentemente dos seus recursos económicos ou de en que barrio vivan. Apoian o traballo dos colexios, promoven a lectura, facilitan tanto a formación das persoas maiores como a da mocidade. Axúdannos na procura de emprego, dánnos un lugar de encontro para a xente do barrio onde informarnos das actividades e promover e preservar a cultura local", defenden os impulsores da petición. Conclúen que "a cidadanía de Vigo non pode seguir sen contar cun servizo de bibliotecas nos barrios, xa que isto entorpece o desenvolvemento cultural e intelectual de toda a poboación e a sitúa na cola das cidades de España en canto a Servizos Públicos de Bibliotecas". A oferta de bibliotecas complétase en Vigo con algún centros dependentes de Afundación, a universidade e outras entidades, coma a Fundación Penzol, o Museo do Mar de Galicia ou o Instituto de Investigacións Mariñas. Porén, só conta con dúas xestionadas directamente polo Concello. |
NOS_46899 | Segundo informou Zarzuela, será unha viaxe 'exprés' até a segunda feira, cando volverá ao país do Golfo. | O rei emérito chegará esta quinta feira ao Estado español, na súa primeira viaxe desde que se instalou en agosto de 2020 nos Emiratos Árabes Unidos, e na segunda feira verase co rei Felipe VI en Madrid, segundo vén de informar Zarzuela. Juan Carlos I pediu esta cuarta feira ao seu fillo que "faga pública a súa decisión de desprazarse a España a partir de mañá día 19 até a vindeira segunda feira día 23 de maio". O que fora monarca durante case catro décadas permanecerá entre a quinta feira e o domingo en Sanxenxo. Juan Carlos I chegará esta sexta feira a Sanxenxo para presenciar a regata InterRías A súa intención, segundo precisou Casa Real, é estar co rei, a raíña Sofía e demais membros da familia no Pazo da Zarzuela na segunda feira antes de regresar ese mesmo día a Abu Dhabi, "onde fixou a súa residencia de forma permanente e estábel". Desde Zarzuela recalcan que a visita de Juan Carlos I se enmarca no seu desexo de "desprazarse con frecuencia a España para visitar familia e amigos", así como de "organizar a súa vida persoal e o seu lugar de residencia en ámbitos de carácter privado", como trasladou ao seu herdeiro nunha carta o pasado 5 de marzo. O seu regreso prodúcese após a conversa mantida o 15 de maio con Felipe VI, con motivo do desprazamento do monarca a Abu Dhabi para trasladar as condolencias pola morte do presidente de Emiratos Árabes Unidos. O alcalde de Sanxenxo e Rueda, "encantados" de recibir o emérito Primeiro encontro con Felipe VI Segundo informou entón Zarzuela, pai e fillo acordaron verse en Madrid cando o emérito viaxase ao Estado español, no que será o seu primeiro encontro desde a marcha do antigo monarca ao país do Golfo. "Tanto nas miñas visitas coma se no futuro volvese residir en España, é o meu propósito organizar a miña vida persoal e o meu lugar de residencia en ámbitos de carácter privado para continuar gozando da maior privacidade posíbel", indicara o emérito na súa misiva. Juan Carlos I di que seguirá vivindo nos Emiratos Árabes pero viaxará ao Estado español "con frecuencia" |
NOS_10838 | "A forza máis poderosa do Goberno de Portugal". Esta é a vontade do Bloco de Esquerda, segundo Filipe Pedro Soares, que se pronunciou con estas palabras na súa intervención durante a convención que realiza a forza política en Lisboa. | Amais de erixir o BE como forza de Goberno, Pedro Filipe Soares asegurou que se o Bloco quer ter futuro deberá trazar unha "maioría social á esquerda". Tamén se pronunciou contra o modelo da UE, "esta Europa non serve" e acusou as actuais directrices da UE de conducir á degradación das condicións persoas. Na mesma liña, o deputado do Bloco sinalou que os dirixentes da UE "abriron a porta á extrema dereita" e "tratan os pobos como lixo". Cargou, a continuación, contra a aplicación de sancións, "Portugal ten que dicir no Consello Europeo que non é aceptábel a aplicación de sancións". Na convención que está a ter lugar en Lisboa tamén interveu Joana Mortágua, quen se declarou "cansa do parasitismo". "A miña xeración esixe un mundo novo e naquilo que depende de nós vai telo". Tamén advertiu que nada debe ser sacrificado "en nome do capital financeiro". Fixo, a continuación, unha defensa férrea dos servizos sociais públicos. Mariana Mortágua afirmou que "é tempo de resgatar a democracia na Europa". "Non son os mercados, senón a vontade popular quen manda na economía", apuntou. "É preciso pór as finanzas no seu lugar para que a esquerda poida cumprir o seu proxecto. A democracia é condición para a esquerda poder ser maioría", engadiu. |
NOS_41498 | O último filme de Ignacio Vilar aparece na relación dos 12 mellores filmes do ano producidos no estado no dixital Nosolocine.NET. A película alcanzou a pasada sexta feira a súa sexta semana en cartaz no cinema Compostela. | Sicixia continúa a gañar o favor da crítica -lembremos a súa boa executoria no festival de Tolouse, co premio á mellor actriz para Marta Lado- e desta volta aparece na listaxe das 12 mellores producións estreadas en territorios do Estado español en 2016. En concreto, o filme de Ignacio Vilar alcanza o oitavo posto dun ranking que lideran Que Dios nos perdone, de Rodrigo Sorogoyen, e Tarde para la ira, de Raúl Arévalo, primeiro e segundo filme da clasificación, respectivamente. Sicixia superaría no ranking filmes como La reconquista, de Jonás Trueba; El elegido, de Antonio Chavarrías; Julieta, de Pedro Almodóvar (a fita eleita pola academia española para concorrer aos Óscars, finalmente non pasou a peneira de Hollywood) e Migas de pan, de Manane Rodríguez. O poético filme de Vilar consumou a pasada sexta feira unha proeza, ao rexistar a súa permanencia en cartaz por sexta semana consecutiva na Galiza, en concreto no Cinema Compostela da capital galega. |
NOS_29936 | O manifesto 'Coidando a unidade' considera que "a activación dunha consulta ás bases por parte da Coordinadora de En Marea non é un procedemento estatutario aplicábel neste caso, carece de todas as garantías e só tensiona o espazo político común". | Medio cento de militantes e persoas próximas ao espazo políticos das mareas veñen de impulsar un manifesto, 'Coidando a unidade', no que fan un chamamento a "non participar" na consulta activada por En Marea sobre a deputada Paula Quinteiro e que decorrerá o 22 deste mes. As persoas que subscriben este manifesto, aberto a apoios e adscricións, afirman que "a activación dunha consulta ás bases por parte da Coordinadora de En Marea non é un procedemento estatutario aplicábel neste caso, carece de todas as garantías e só tensiona o espazo político común. Esta consulta deixa en suspenso os valores democráticos fundamentais do noso espazo político e vulnera os documentos organizativos e o Código Ético de En Marea". Afirman non entender que se proceda á "activación de mecanismos inéditos que non constitúen as fórmulas de control democrático que nos demos entre todas", senón "mecanismos plebiscitarios […] que só contribúen a un linchamento político e mediático". Consideran que o caso de Paula Quinteiro responde a una "campaña de acoso e derrubo" do PP e os "seus meios acólitos" contra "una das nosas", en referencia á parlamentar. Unha campaña que, consideran, parte de que "a presenza das de abaixo nas institucións deseñadas por eles e para eles sempre os incomodou". Por iso, indican, "non podemos caer na trampa e deixar que as elites e os medios dos de arriba nos marquen a axenda e o discurso, delimitando a barreira do que é ético". De aí que afirman que non poden partillar "ese sinalamento mediático, esa retroalimentación dunha máquina do fango que só quere destruír os espazos do cambio". Entre as persoas asinantes hai activistas e militantes de Marea Atlántica, Compostela Aberta, Son de Teo, Marea de Ribeira, Marea de Vigo, Ourense en Común, Xunt@s por As Pontes, Iniciativa Cidadá de Mugardos, Ferrol en Común, entre outras. |
NOS_27274 | A proposta da eurodeputada Lidia Senra, 34 persoas de 18 colectivos diferentes de defensa do monte viaxarán ao Parlamento Europeo para dar a coñecer o "desleixo da Xunta, que en conivencia cos intereses da industria celulosa, non está a protexer os xacementos arqueolóxicos". | O eucalipto tamén está no punto de mira en Galiza polos seus prexuízos sobre o patrimonio. Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio, acusa a industria celulosa do eucalipto de estar a provocar unha grave destrución do patrimonio arqueolóxico en Galiza, "como demostran os centos de denuncias presentadas nos últimos anos" e tendo en conta que "só se denuncia unha pequena parte do total de agresións". "A Xunta está mirando para outro lado e está incumprindo o seu deber de protexer o patrimonio, atendendo aos intereses dua industria celulosa" (Manuel Miranda) Miranda realizou estas declaracións na presentación da iniciativa que, impulsada pola eurodeputada Lidia Senra, levará esta denuncia ao Parlamento Europeo. Un total de 34 persoas pertencentes a 18 colectivos diferentes de defensa do patrimonio cultural, arqueolóxico e natural, ecoloxistas, arte rupestre e montes viaxarán até Bruxelas os días 6 e 7 de decembro. Senra explicou que a visita foi pensada tendo en conta que o próximo ano, 2018, será declarado pola UE como o Ano Europeo do Patrimonio Cultural. "Esta visita é oportuna para contribuír a visibilizar na UE o que pasa na Galiza", dixo. Así, Senra reclamou que o eucalipto sexa declarado como especie exótica invasora e criticou a resistencia que está poñendo o Estado español no marco do Convenio de Berna do Consello de Europa, en conivencia coa industria forestal, para que isto sexa posible. "Cando un monocultivo se implanta a biodiversidade pérdese. Estamos falando de que está en perigo o futuro de toda a sociedade, non só de catro empresas multinacionais que se lucran de poñer o país a monocultivo de eucalipto" (Lidia Senra) Diversos encontros Durante a visita ao Parlamento Europeo, a delegación galega reunirase con representantes da Comisión Europea competentes na materia para explicarlles a situación que se está a vivir na Galiza, e tamén con eurodeputados doutros países, especialmente alemáns, xa que a maior parte da produción de Ence é exportada Miranda indicou que "a Xunta está mirando para outro lado e está incumprindo o seu deber de protexer o patrimonio, atendendo aos intereses dunha industria celulosa totalmente insensible e irresponsable". "Os xacementos arqueolóxicos están protexidos pola lei e non se poden danar para plantar eucaliptos nin outras árbores. Polo tanto, a Xunta debe actuar e facer cumprir a lei, algo que non fai", denunciou. Na delegación haberá representantes do Sindicato Labrego Galego, do SOS Arte Rupestre Galega, da Sociedade Antropolóxica Galega, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo, do Colado do Vento, de Cousa de Raíces, da Asociación para o Fomento do Deseño Sostible Kunterbunt, de Adega, da Asociación Nordés, da Asociación Amig@s de historiadegalicia.gal, do colectivo A Rula, da Asociación Mariña Patrimonio, da Asociación Cultural Irmandade de Santo Estevo, de Amigos do Patrimonio de Castroverde, de Anova Terra, Umia Vivo, Irmandade Illa de Tambo e do Colectivo da Defensa do Patrimonio A Forneiriña. |
PRAZA_8446 | O deputado do PSC Ferran Pedret presentou en Ferrol o seu libro Nós os federalistas. Catalunya na encrucillada, no marco das I Xornadas para conmemorar a Segunda República, organizadas pola Agrupación Socialista de Ferrol | O deputado do PSC Ferran Pedret presentou en Ferrol o seu libro Nós os federalistas. Catalunya na encrucillada, no marco das I Xornadas para conmemorar a Segunda República, organizadas pola Agrupación Socialista de Ferrol. Pedret (1979) é avogado e conta cunha longa experiencia no activismo social. É un dos impulsores do colectivo Inflexió, fundado en Barcelona en 2009. Actualmente é responsable de Movementos Sociais do PSC. É tamén autor do libro Quan succeeix l'inesperat: el 15M i l'esquerra (Edicions Els Llums, 2011). Nosaltres, els federalistes é unha obra "a contracorrente" escrito "para dar resposta a quen, tras a histórica manifestación do 11 de setembro, se apresuran a enterrar o federalismo" e constitúe unha "aberta incitación ao federalismo e á radicalidade democrática e, en consecuencia, é unha chamada á acción política". A situación política en Catalunya segue moi revolta e dá a impresión de que as eleccións provocaron unha ingobernabilidade aínda maior. Como analizas o momento actual? A situación política en Catalunya é moi complexa e pode dar a sensación dun certo caos. Temos un panorama por diante que non sei se cualificar de "ingobernable", pero si dunha gobernabilidade moi complexa. O socio de Goberno de CiU, ERC, non quere asumir as dificultades que comporta un debate orzamentario nestes momentos polos recortes que implicaría, e polo tanto o día a día do país é moi complicado. E o debate independentista contribúe a que as posicións estean moi polarizadas, o que leva tamén a esa ingobernabilidade. "O que nós dicimos é que esa consulta ten que ser acordada co Estado. E non porque alguén teña que dar un permiso extraordinario, senón porque para un proceso desta importancia todos os actores implicados deben recoñecerlle lexitimidade" E en que situación se atopa o PSC? Atopa o seu lugar nesa guerra de bandeiras? O socialismo catalán nace da fusión entre as clases traballadoras que teñen as súas raíces en Catalunya de toda a vida e as novas clases traballadoras que chegaron nos anos sesenta e setenta. E contribúe á unidade civil do pobo de Catalunya dunha forma importante. O debate sobre a independencia é un debate que o PSC non ten problema ningún en enfrontar, e enfróntao defendendo a súa opción, que é a construción dun estado federal plurinacional en España. O que xerou un gran debate foi a cuestión do dereito a decidir. O PSC non é independentista, pero defende no seu programa que se consulte os cidadáns e cidadás de Catalunya. Até o de agora este tema non se suscitara porque os cataláns que querían unha consulta non eran maioría. E agora si o son, aínda que despois na consulta voten unha cousa ou outra. O que nós dicimos é que esa consulta ten que ser acordada co Estado. E non porque alguén teña que dar un permiso extraordinario, senón porque para un proceso desta importancia todos os actores implicados deben recoñecerlle lexitimidade ao proceso. Onde están os federalistas en España? Parece que ese discurso atopa poucos espazos neste ambiente de polarización A miña intuición é que federalistas habelos hainos, e moitos máis dos que se recoñecen a si mesmos como federalistas. Hai moita xente que se recoñece nas ideas e valores do federalismo e ademais practícanos. Hai unha esperanza para o federalismo baseada nunha alianza das clases traballadoras de todo o Estado para producir unha dinámica que creo que é moi necesaria. "O federalismo é unha forma de organización social, é como quereriamos que funcionase a sociedade: a libre unión de individuos para cooperar e para o progreso e o benestar común" Explicouse ben o federalismo? Ás veces dá a impresión de que a súa defensa non atopa valores emocionais e fica nunha proposta puramente legalista Para min e para a tradición dos movementos populares en Catalunya o federalismo vai moito máis alá dunha determinada arquitectura política ou de organización territorial. O federalismo é unha forma de organización social, é como quereriamos que funcionase a sociedade: a libre unión de individuos para cooperar e para o progreso e o benestar común. Bebemos do federalismo social de Prudhomme e de Pi i Margall e estamos convencidos de que por unha determinada idea da federación social e da construción do común é polo que se ergueron barricadas na Comuna de Paris ou nos barrios de Barcelona. "Estamos vivindo o momento político máis aberto das últimas décadas, un momento no que todas as opcións están enriba da mesa" En calquera caso semella ser aínda unha posición defendida por unha minoría... Pode parecelo e até o momento había datos que o corroboraban, coma a maioría absoluta do PP. Pero enquisas recentes coma unha publicada por El Periódico hai uns meses amosaba que a metade dos españois podería apoiar unha reforma federal da constitución. Estamos vivindo o momento político máis aberto das últimas décadas, un momento no que todas as opcións están enriba da mesa. Unha das ideas con máis forza é a da rexeneración democrática. E o federalismo pode ser unha panca para esta rexeneración democrática e tamén para unha transformación social. Hai marxe para o federalismo en España, un federalismo que non encaixe a pluralidade senón que a articule como un factor enriquecedor. "Creo que a cousa no PSOE está moi aberta. Un bo exemplo é o debate sobre a monarquía e a república. Hai uns anos seria impensable que o PSOE abrise este debate" Pero as friccións entre PSC e PSOE son continuas, tamén nese tema... Non nego que hai dificultades moi obvias e que se constatan a diario. Pero dáme a sensación de que é máis un choque de conceptos entre as direccións dos dous partidos que entre o que pensan as bases militantes dun e doutro. Creo que a cousa no PSOE está moi aberta. Un bo exemplo é o debate sobre a monarquía e a república. Hai uns anos seria impensable que o PSOE abrise este debate. Polo tanto, creo que é posible que evolucionen as posturas a maior velocidade do que antes parecía. Quen nos ía dicir hai uns meses que a dirección do PSOE estaría apostando por unha reforma federal da Constitución? Que é Inflexió, o colectivo de esquerdas que creaches con outros activistas? No 2009 un grupo de persoas, que nos coñecéramos a través das loitas sociais e provenientes de orixes moi distintas, constatamos que coincidiamos en moitas análises e tamén no fracaso da maior parte das estratexias que as distintas esquerdas intentaran para transformar o sistema. A partir de aí xurdiu a necesidade de atopar un espazo que servise de nodo, onde a xente se atopase e debatese. E un espazo tamén para chamar á mobilización e axitar. E iso fixemos: dende ocupacións dun ambulatorio afectado polos recortes esixindo que se abrise até protestas na sede do Banco Santander en Grácia. E sobre todo provocamos sinerxias e contactos entre persoas que viñan de sitios moi distintos. "A única solución razoable é que o Estado permita realizar unha consulta. E nesa consulta o PSC chamaría a votar que non á independencia" Que vai pasar no 2014? Vai haber consulta? Que fará o PSC? Eu son dos que quero que se produza, sexa a través dun referendo, sexa a través dunha consulta. Pero o Goberno central está dicindo dunha forma moi rotunda que non está disposto a facer os cambios legais necesarios para que se poida producir. Se esa vai ser a posición do Goberno central a situación política en Catalunya será completamente insostible. Porque vai haber unha presión moi forte de ERC a CiU para celebrar a consulta sexa como sexa, aínda que non teña cobertura legal ou cun marco legal unicamente catalán, a través da lei de consultas. Pero iso vai producir un conflito institucional grande. Cun PP enrocado que propoña suspender a autonomía catalán ou inhabilitar o President teriamos un conflito moi difícil de resolver. A única solución razoable é que o Estado permita realizar unha consulta. E nesa consulta o PSC chamaría a votar que non á independencia, cunha defensa firme dunha reforma federal da Constitución. |
NOS_17530 | Unha mobilización unitaria que se prevé multitudinaria percorrerá este sábado as rúas de Compostela após unha faixa co lema 'A Nación galega' levada por "xente do común". | Un 25 de xullo especial, cunha manifestación unitaria para reivindicar 'A Nación galega', a palabra de orde que irá na faixa que abrirá a marcha que sairá ás 12:00 horas da Alameda de Compostela. O chamamento feito por un grupo promotor e concretado no 'Manifesto pola Unidade' - camiño das 1.500 sinaturas- callou na convocatoria deste 25X, incidindo no protagonismo da xente e coas organizacións políticas e colectivos apoiando e sumando. Un 25X para reivindicar o verso de Celso Emilio Ferreiro "Común temos a Patria" e que partillan organizacións políticas, sindicatis, entidades culturais, asociacións veciñais e deportivas... "Co manifesto queremos, por dicilo así, que non sexan simplemente as siglas as que veñan, senón as persoas, convocadas como cidadás galegas", dixo a Sermos Galiza a escritora Rosa Aneiros, unha das asinantes do manifesto 'Pola Unidade'. A manifestación deixará ás 12:00 horas a Alameda para percorrer varias rúas do Ensacnche compostelá antes de entrar na emblemática zona vella da capital de Galiza e rematar na Praza da Quintana. Durante o percorrido, haberá relevos para portar a faixa principal por parte de 'cicadáns a pé'. Na Quintana haberá actuacións musicais: Uxía, Mercedes Peón, Alba María e Lidia Botana. E Alba Cuba, Valentín García Bóveda, Patricia de Lorenzo e Federico Pérez Rei serán as persoas que lean o manifesto nun acto que contará co artista Xurxo Souto como mestre de cerimonias. Festigal Día grande no Festigal, con actividades ao longo de toda a xornada. Conferencias, conmvoviio, música, lecer.... O Café Concerto iniciarase coa maxia do Mago Antón, despois Isabel Risco e Marián Bañobre van dinamizar a festa co espectáculo "O Furancho", para seguir co folk de Carapaus co último disco "Déixao andar"; co rock de Familia Caamagno e con Superoito. Mais durante tyoda a xornada decorrerán diferentes actos, quer políticos, quer culturais ou quer sociais. Unha programación completa a coñecer na web. BNG O BNG, apostando no espíritu da convocatoria unitaria, optou por ceder todo protagonismo á mobilización conxunta, polo que non realizará un acto político en senso estricto. Si que haberá o tradicional xantar na Carballeira do Campus Sur, unha cita na que ano tras ano reúnense milleiros de nacionalistas. Anova As 14:00 horas, e baixo o lema "Autodeterminación cara á independencia", terá lugar o acto político de Anova-IN no Parque de Bonaval, formación que deu liberdade á militancia para se sumar á marcha unitaria. No dito acto farán intervencións, entre outros, Davide Rodríguez (alcalde de Manzaneda) e Xosé Manuel Beiras (portavoz nacional de Anova).Posteriormente o día continuará cun convivio en irmandade e música a cargo de Arremecághona's Produçións. Compromiso Co lema "Facendo Camiño. Facendo País", Compromiso terá un acto político en Belvís que comezará ás 14.30 horase que contará coa presenza da eurodeputada Izaskun Bilbao, "para seguir a tecer complicidades de cara a visibilizar o noso traballo no Parlamento Europeo". Logo do acto político, realizarase un xantar entre militantes e simpatizantes, con música, xogos tradicionais, e un encontro de fútbol gaélico. De igual xeito, haberá postos de artesanía. Independentismo A II Romería Popular de Causa Galiza decorrerá no Parque Lasalle a partir das 14:00 horas, perto do Centro Galego de Arte Contemporánera. Xantar popular, xogos para crainzas, xogos tradicionais e música. |
NOS_55348 | Unha multitude responde na Coruña á convocatoria contra a criminalización dos movementos sociais, xuntando a diversos colectivos e entre unha grande presión policial | A convocatoria de Stop Desafiuzamentos A Coruña dunha concentración contra as multas que están a recibir até xa 17 persoas que participaron na mobilización contra o despexo de Aurelia Rei -e que estendeu a súa reivindicación contra o proceso de criminalización de toda protesta ou disidencia, especialmente intenso dende o regreso ao Goberno do PP- reuniu nas rúas da cidade a máis dun milleiro de persoas, que marcharon até a Delegación do Goberno español en Galiza, onde solicitaron a berros a dimisión do seu titular, Samuel Juárez. A marcha foi encabezada por unha pancarta na que se lía "Múltannos a nós para asustarte a ti" A marcha foi encabezada por unha pancarta na que se lía "Múltannos a nós para asustarte a ti" e detrás da cal estaban varias persoas que recibiron sancións nas últimas semanas, como o bombeiro que se negou a colaborar no desafiuzamento de Aurelia. Ao seu carón, activistas da comunidade africana que teñen denunciado acoso racista por parte da policía municipal. Entre @s demais manifestantes, membros de Stop Desafiuzamentos -da Coruña e Ferrol- moit@s afectad@s polas preferentes e tamén representantes políticos, como o deputado de AGE Antón Sánchez ou o voceiro parlamentar do BNG, Francisco Jorquera. As consignas contra a represión e polas liberdades civís foron constantes ao longo de todo o percorrido Malia que as consignas contra a represión e polas liberdades civís foron constantes, a mobilización tamén serviu como resposta ante as políticas que está a aplicar o PP, con berros como "os seus sobres, os nosos recortes". A manifestación estivo acompañado dun descomunal despregamento policial que creou varios momentos de tensión. Especialmente protestada foi a presenza vixilante de Silverio Blanco, comisario provincial da policía estatal e acusado de "represor" e "provocador" por moit@s activistas. Desde unha habitación do edificio da Delegación do Goberno español, un funcionario tomou imaxes d@s participantes na masiva protesta. |
NOS_55208 | A cem anos do nascimento do que foi secretário geral do PCP, o Comité central do partido decidiu pôr em andamento um programa de iniciativas baseadas na vida, pensamento e luta de Álvaro Cunhal, um exemplo que se projeta, dizem, "na atualidade e no futuro " | Jerónimo de Sousa, Secretário-Geral do PCP, apresentou publicamente um conjunto de iniciativas que a organização política desenvolve com motivo do centerario de Álvaro Cunhal. Segundo De Sousa, "a atual situação do país" põe de atualidade"a contribuição e análise" deste militante e dirigente comunista. "A apologia do empobrecimento", asseverava Jerónimo de Sousa em seu comparecimento de imprensa, "assente na ideia de que os portugueses vivem acima das suas possibilidades e das condições do país" traz de novo à pimeira linha a importância da luta desenvolvida por Cunhal, pois denunciou com rotundidade aquela "velha ideia da natural pobreza do país proclamada pela ditadura fascista e pelos beneficiários da política". Jerónimo de Sousa salientou que tais ideias não são senão "uma mistificação das classes dirigentes para encobrir a política de rapina exploração do povo em favor dos grandes grupos monopolistas". A alternativa patriótica e de esquerda no pensamento de Álvaro Cunhal Desde o PCP, querem comemorar o centenário de Álvaro Cunhal, para além disto pôr em relevo a importância e vigência de seu pensamento perante a política promovida pelo governo de coalizão e as consequências do Pacto de Agressão, assinado no ano passado com a Troika. "Uma realidade que confirma a atualidade da luta pela libertação do país do domínio monopolista", disse o secretário-geral do PCP, assegurando que a luta desenvolvida por Álvaro Cunhal salienta a necessidade de uma outra orientação política "para a atual etapa histórica, orientações traçadas em ruptura com a política de direita dos sucessivos governos" de Portugal. Neste sentido, Jerónimo de Sousa salientou o papel protagonista na obra de Álvaro Cunhal que ocupou a busca da independência económica do país "para garantir a independência nacional", conforme disse, é preciso desenvover "uma política dirigida à defesa e valorização da produção nacional e do aparelho produtivo do país ", contra as consequências da adesão à Comunidade Económica Europeia, criticada naquela altura pelo próprio autor. "A vida deu-lhe razão", aseveraba De Sousa que afirmou "os impactos tornaram-se mais trágicos e perniciosos com a entrada do euro", fruto das condições em que esta se produziu, e com os posteriores desenvolvimentos de integração capitalista da União Europeia. O PCP quer com esta homenagem valorar a vida e obra de Álvaro Cunhal e também destacar a sua contribuição teórica e estratégica para o partido em um momento em que a realidade sobarda mesmo as previsões do pensador e militante português. |
NOS_13341 | A esquerda obtivo unha ampla maioría en Ribadavia o pasado 26 de maio. Catro concelleiros o PSdeG, tres Ribeiro en Común e un o BNG. O PP, encabezado polo até agora deputado no Hórreo César Fernández Gil, cinco. Pois ben: Fernández Gil será alcalde. | A investidura do popular é resultado do desacordo entre as outras tres forzas políticas. Ribeiro en Común e Partido Socialista non foron quen de acordar nin pacto nin coalición. Este sábado, 15 de xuño, a marea votou o seu propio candidato, Brais Fidalgo. PSOE e BNG fixeron o mesmo, e o PP viu así despexado o camiño á alcaldía. Fernández Gil abandona así o Parlamento Galego, dado que a lei electoral galega decerta incompatíbeis as condicións de parlamentario e alcalde. |
NOS_32637 | Desde o porto de Hendaia partiu a manifestación convocada por G7Ez! e AlternativesG7! en resposta á cimeira de mandatarios que arrincará este sábado na cidade de Biarritz. Desde o 23 de agosto decorreu o denominado contracumio, un espazo de talleres, debates e palestras para avanzar cara a outra orde mundial. A Mesa e a CIG participaron destas xornadas. O sindicato galego asinou ademais o manifesto Non ao G7! Xuntas, construíndo un novo mundo. | Milleiros de persoas xuntáronse este domingo en Irun para marcharen até Hendaia contra a orde mundial que representan as potencias que se reúnen desde hoxe até o luns no cumio do G7 na cidade vasca de Biarritz, baixo administración do Estado francés. A pancarta de cabeceira portárona, entre outras, a secretaria xeral do sindicato soberanista LAB, Garbiñe Aranburu, e o secretario xeral de Sortu Arkaitz Rodríguez. A reunión do G7 inicia a noite deste domingo cunha recepción e unha cea en Biarritz A mobilización partiu baixo o lema Euskal Herritik beste mundu bat sortzen (Creando outro mundo desde Euskal Herria), e as entidades organizadoras reivindicárona como unha marcha "con cor, alegre e popular" e chamaron de novo "á calma" após as cargas policiais acontecidas na noite da sexta feira 23 de agosto nunha mobilización decorrida en Urruña e que se trasladou ao campamento do contracumio. A policía detivo 17 persoas e produciu unha vintena de feridas.A reunión do G7 inicia a noite deste domingo cunha recepción e unha cea en Biarritz. A CIG e A Mesa estiveron presentes no contracumio Unha representación da CIG, encabezada polo seu responsábel de Internacional Xosé Lois Ribera, participou nos actos alternativos organizados pola Plataforma G7EZ. O contracumio desenvolverase entre os días 21 e 23 de agosto no centro de congresos de Ficoba, Irun, e máis no "pobo das alternativas" situado en Hendaia. A CIG estivo presente tamén na reunión preparatoria do día 22 e asinou o manifesto do contracumio Non ao G7! Xuntas, construíndo un novo mundo. Xosé Lois Ribera, en declaracións a Sermos Galiza, cualificou de "incríbel" a esaxerada presenza de forzas policiais de Euskadi, de España e de Francia, que estiveron presentes constantemente tamén nas inmediacións dos lugares en que se desenvolveron as actividades. As decisións que se tomarán neste cumio afectarán a miles de persoas e a moitos pobos O responsábel de Internacional da CIG participou tamén nun encontro con outras organizacións que forman parte da Asemblea Internacional dos Pobos, constituída o pasado mes de abril na República Bolivariana de Venezuela. Na cimeira alternativa tamén participou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, tal e como informou Sermos Galiza. Marcos Maceira tomou parte por videoconferencia do debate Os dereitos lingüísticos como base para unha nova Europa, no que se referiu á "importancia dos actores sociais na defensa dos dereitos lingüísticos". Que é o G7 e que se debate nel? O G7 conformárono na época da guerra fría sete países (EEUU, Alemaña, Gran Bretaña, Francia, Italia, Xapón e Canadá) con moito poder económico, político e militar. En 1997 Rusia sumouse ao grupo, pasando a denominarse G8. Porén, en 2014 foi expulsada do cumio como castigo das potencias occidentais pola unión de Crimea á Federación Rusa após o golpe ultradereitista en Ucraína. As decisións que se tomarán neste cumio afectarán a miles de persoas e a moitos pobos. O anfitrión este ano é o presidente francés Emmanuel Macron, quen aspira a ser líder da Unión Europea e coller o relevo da Alemaña de Merkel. O Brexit, a guerra comercial entre EEUU e China ou a Amazonia son temas que figuran na orde do día dos debates. |
NOS_31812 | Alegan que a redución horaria na que operan supón deixar zonas descubertas. 7 persoas mortas e 11 feridas foron o tráxico saldo do sinistro producido no rally de Carral. | O operativo sanitario que actuou no grave accidente de Carral, que o pasado 5 de setembro deitou o luctuoso balanzo de sete persoas falecidas e once feridas, non puido contar co apoio dun helicóptero do 061 por mor do recorte de horarios impostos pola Consellaría de Sanidade neste servizo. A CIG denuncia que este caso é un exemplo máis das consecuencias dese retallamento que deixa descubertas zonas do país durante horas. Os helicópteros do 061 son un medio de grande importancia para operativos sanitarios onde o desprazamento até o lugar do accidente ou da asistencia sanitaria é dificultoso. Unha circunstancia que se deu no accidente producido durante o rally de Carral (A Coruña). Malia o colapso do tráfico nos accesos até alí non se desprazou o helicóptero con base en Compostela por ter rematado seu horario. A outra opción era o helicóptero radicado en Ourense, pero os 35 minutos de distancia facían inoperativo o traslado. Segundo denuncia a CIGSaúde, os técnicos das ambulancias que acudiron ao lugar do accidente botaron en falla o apoio aéreo, inda que non garantise un desenlace diferente a respecto das vítimas do mesmo. CIG Saúde denuncia que os recortes deixa zonas do territorio nas que o helicóptero non pode actuar 12 horas O novo contrato do servizo aprobado o pasado mes de marzo modificou o seu horario de atención, que pasou de estar operativo do abrente ao solpor (cubrindo a totalidade da xornada con luz diúrna) a unha nova fórmula consistente en que un dos helicópteros atende 12h desde o abrente e o outro 12h antes do solpor. Desta maneira, denuncian, que existen faixas horarias que deixan descubertas zonas do territorio nas que non poderá actuar o helicóptero. No caso do helicóptero de Compostela o seu horario até o vindeiro día 27 é de 8:00h a 20:00h. "No decurso do verán houbo avisos doutras urxencias pasadas as 20h e non houbo helicóptero. A xente no o sabe porque ao final se resolve con outros recursos máis lentos ou menos axeitados e así tápase esta irresponsabilidade", denuncia Rosarío Rúa. A representante da CIG na Xunta de Persoal do 061 fai referencia á existencia de casos de afogamento, accidente de tráfico ou unha parada cardiorespiratoria que non contaron con asistencia aérea por esa razón. Desde a CIG critican ademais que este recorte sanitario, que incide na asistencia en caso de emerxencias nos que pode ser un medio vital, supón un aforro económico de "miseria". "O aforro é só o do salario dun piloto e un copiloto durante seis meses". |
NOS_17625 | Un día como hoxe, 24 de agosto, pero de 1936, foi asasinado o sindicalista e alcalde da Guarda Manuel Noia, tras ser sometido a duras torturas, un crime aínda vivo na memoria das xentes do Baixo Miño. Este 27 de agosto será homenaxeado no Rosal canda outros compañeiros seus de loita, compromiso e infortunio. | Este 27 de agosto arrancan no Rosal os actos de lembranza ás vítimas do franquismo. Precisamente, ese día, desenvólvese ás oito do serán en Portecelo un acto en lembranza de cinco veciños da comarca asasinados no municipio do Rosal. A homenaxe, promovida polo Comisión pola recuperación da memoria histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, en parcería co Goberno municipal do Rosal, vai contar coas intervencións do activista da memoria Moncho Leal, do historiador Carlos Méixome e da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, así como coa actuación musical de Lara Villaverde. O voceiro da Comisión pola recuperación da memoria histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña e concelleiro de Participación Veciñal do Rosal, Moncho Leal, sinala a Nós Diario que "os actos deste 27 de agosto van ter continuidade até o 5 de setembro cunha exposición aberta nos baixos da Casa do Concello do Rosal sobre as persoas soterradas na foxa común do adro da igrexa de San Xián". Neste sentido, Leal lembra que "en abril de 2009 este enterramento colectivo foi escavado por un equipo de arqueólogos do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), aparecendo na mesma varios cadáveres". Leal destaca que "estes actos fan parte do obxectivo do Goberno do Rosal de democratizar a vida municipal". "Nós temos neste momento un programa en marcha que se chama Memoria Viva para salvagardar a memoria de diversas persoas do concello", afirma, ao tempo que considera "fundamental o apoio das institucións locais a este tipo de iniciativas porque moitas das persoas asasinadas ocuparon cargos de responsabilidade institucional e todos, na súa totalidade, fixeron parte dun movemento amplo de transformación social". Anuncia Casado, un símbolo da represión franquista contra as mulleres Manuel Noia, alcalde nacionalista e libertario Unha das persoas homenaxeadas neste acto é Manuel Noia Gil (A Guarda, 1897 - Oia, 1936). Xastre de profesión, significado sindicalista nas filas da Confederación Nacional do Traballo (CNT), militante do Partido Galeguista e alcalde republicano da Guarda, é un dos nomes de referencia da loita política e social na comarca do Baixo Miño. Fundador canda o seu irmán, o tamén militante nacionalista e autor do libro Fuxidos, Xoán Noia, da Sociedade Obreira da Guarda, participou en 1918 das diversas folgas da vila en defensa da xornada laboral de oito, integrándose a comezos doa anos vinte, canda outros agrarios e sindicalistas, na loita contra o deputado cuneiro Mariano Ordóñez. A vida de Noia é de loita. Así, no período republicano detéñeno en 1933 e 1934 como dirixente da Federación Local Obreira da Guarda, integrada na CNT, sendo nomeado alcalde en marzo de 1936. A súa acción de Goberno vai destacar polo apoio á campaña do Estatuto, acudindo el mesmo en representación do Concello da Guarda á asemblea do 16 de maio de 1936, pola defensa das condicións de vida da clase traballadora, obrigando o empresariado a respectar a lexislación laboral que sistematicamente incumpría ou na mellora dos servizos básicos daqueles núcleos onde residían as clases populares. A guerrilla de Arturín A morte de Noia aparece recollida no libro de memorias do seu irmán. Agochado nunha casa da súa vila, é delatado por varios veciños, entre eles o cura Manuel Álvarez, é posto a disposición do comandante militar, Eduardo Rodríguez, quen o entrega a un grupo de fascistas, dirixido por José María Salgado Méndez e do que forman parte, entre outros, Miguel Saéz, Severo Sobrino e Anselmo Fernández, quen o torturan, mutilan e asasínano o 24 de agosto de 1936. As foxas de San Xián Abilio Araújo Barbosa, Manuel Prudencio del Rosario 'Manuel de Lucinda' e Manuel ou Jesús 'O palero de Laureana', son tres veciños de Gondomar asasinados en febreiro de 1937 e soterrados nunha foxa común en San Xián, no Rosal. O primeiro deles, natural de Coura, en Portugal, pai de cinco fillos e residente na Galiza desde moi novo, vai ser executado tras ser reclamado pola Garda Civil da localidade. O segundo, orixinario de Santarém, en Portugal, sacado da súa casa pola Garda Civil na noite de 10 de febreiro, vai ser executado como Abilio ese mesmo día. A identidade definitiva de Manuel ou Jesús 'O palero de Laureana' segue a ser un misterio, coñecéndose o seu asasinato no momento de desenterrar os cadáveres dos seus camaradas de infortunio. Joaquín Iglesias Portela é outro demócrata soterrado noutra foxa de San Xián. Neste caso, trátase dun ebanista da Ramallasosa en Nigrán, concelleiro en diversas corporacións republicanas e asasinado o 1 de setembro de 1936. O derradeiro agosto de Manuel Noia Foi un agosto terríbel marcado para sempre a sangue na historia da Galiza. Un guión escrito polos militares e as clases dominantes que tornaron en terror aquela labarada de esperanza erguida polos máis. Após o golpe de Estado fascista de 1936, na Galiza o inverno comeza en agosto. |
NOS_18478 | O sindicato tamén alerta de que "son moitas" as empresas que aproveitan esta situación para conceder períodos de vacacións, algo que tamén é "absolutamente ilegal". | A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou esta quinta feira a existencia de "casos fraudulentos" na presentación de expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) por forza maior no país. En concreto, a CIG Lugo-A Mariña denuncia que moitas empresas utilizan a fórmula da retroactividade na data de inicio do ERTE ao día 14 de marzo aínda que os empregados traballasen en datas posteriores para "aforrar" no pago de días traballados. Así mesmo, o sindicato alerta de que "son moitas" as que aproveitan esta situación para conceder períodos de vacacións, algo que tamén é "absolutamente ilegal". "Dita actitude constitúe unha fraude á seguridade social e ao SEPE e, ademais, representa unha actitude miserábel", sinala a CIG, que censura que estas empresas "se preocupen exclusivamente dos seus intereses, cargando sobre as traballadoras e sobre as arcas do Estado as obrigacións que teñen como empregadores". Por iso, o sindicato insta á Consellaria de Economía, Emprego e Industria, á Inspección de Traballo, ao SEPE e á Seguridade Social a prestar especial atención a estes casos. Empresa EROM Precisamente, o sindicato informa de que remitiu un escrito ao Ministerio de Traballo para que analice a proposta de ERTE por forza maior presentada pola empresa de mantemento de parques eólicos EROM ao considerar que "non se axusta aos criterios" da COVID-19. A central sindical considera que o obxectivo da empresa é "aproveitarse da emerxencia sanitaria" para "aforrar custos" e, ao tempo, "laminar a capacidade de acción das representantes das traballadoras na defensa dos seus dereitos". |
NOS_16942 | Despois dos disturbios do 11 de xullo, a situación na illa estivo marcada pola desinformación, nunha acción que as autoridades de Cuba cualificaron como unha campaña organizada desde o exterior para xustificar unha intervención en contra de Cuba pola situación creada pola pandemia e o bloqueo dos EUA. | O pasado sábado, as rúas de varias cidades cubanas, principalmente no Malecón da Habana, enchéronse nunha manifestación impulsada desde o Goberno en defensa da Revolución, como feche da axitación provocada polos disturbios do 11, e en menor grao, do 12 de xullo. Na súa intervención, Miguel Díaz-Canel, presidente de Cuba, recoñeceu "as difíciles condicións provocadas pola pandemia e a intensificación do bloqueo dos Estados Unidos", ao tempo que cuestionou a "campaña de intoxicación mediática" instigada desde Washington, aproveitándose da situación. "O que o mundo ve sobre Cuba é unha mentira: un pobo levantado contra o Goberno e o Goberno oprimindo", resolvía o mandatario. Con distintos adxectivos, a prensa internacional foi recoñecendo nas últimas xornadas a volta á normalidade en Cuba, unha situación que dista moito da "realidade" que amosan varios dos cancelos denunciados como accións organizadas desde o estranxeiro polo ministro de Relacións Exteriores da illa, Bruno Rodríguez, #CanalHumanitarioCuba, #SOSCuba e #SOSMatanzas. O máis utilizado deles é #SOSCuba, fonte principal de novas falsas que se multiplicaron nas redes sociais ofrecendo unha imaxe de conflito permanente a semana pasada, a par que solicitaba unha intervención "humanitaria". Unha realidade paralela Un repaso polo cancelo permite observar ducias de vídeos sen verificar a súa autenticidade nin indicar hora e lugar, repetidos múltiples veces coa mensaxe de que foron gravados "hai unha hora". Amais, foron usadas tanto nas redes como nalgúns medios imaxes e vídeos das e dos manifestantes a prol da Revolución que saíron o mesmo domingo, coma protestas en contra do Goberno, incluíndo convocatorias masivas de antes da pandemia como o 1 de maio, vendidas como actuais. Como rexistra Maldita, medio encargado do esclarecemento de novas falsas, a celebración pola vitoria de Arxentina na Copa América, que decorreu no Obelisco de Bos Aires; as protestas en Exipto en 2011 e até a Diada de 2016 en Catalunya, foron difundidas como documentos audiovisuais do "pobo cubano" saíndo a rúa contra o Executivo.A segunda feira, chegaban os vídeos de centos de barcos que en teoría saían cara Cuba capitaneados pola comunidade de emigrantes en Florida, ávida de colaborar para derrocar o Goberno que encabeza Díaz-Canel, e chamando a unha insurrección xeral. 24 horas despois, as redes facían pública a nova do día, en Camagüey, a presión das persoas que protestaban leva a detención do primeiro secretario do Partido Comunista de Cuba (PCC) na zona e a toma da cidade, que desde os cancelos celebran como "a primeira cidade liberada de Cuba". Pouco despois, era o mesmo primeiro secretario o que publicaba un vídeo da situación na cidade desmentindo a nova. A medida que se facía máis evidente o fracaso do "levantamento", comezaron a aparecer as imaxes de agresións da policía, en moitos casos con toda clase de acentos latinoamericanos, Maldita identificou a orixe de varios destes documentos, como o dun menor cuberto de sangue que foi ferido hai uns días no barrio Cota 905 de Caracas (Venezuela), durante un enfrontamento entre a Policía e bandas armadas, coa mensaxe "están matando os nosos nenos en Cuba". Tamén foi vendida como proba da represión do Goberno cubano unha agresión de policías brasileiros que golpeaban a un home no chan en 2017, ou a dramatización dun tiroteo en Porto Rico no medio dun evento relixioso. A sexta feira, o día anterior ás marchas convocadas a favor da Revolución, o ABC facíase eco do balbordo nas redes sociais, publicando que "Dimite o viceministro de Interior en Cuba, en desacordo polo uso de forza excesiva contra os manifestantes". Cando a información foi desmentida varios artigos xa alertaban da "descomposición" das institucións cubanas polos centos de renuncias de altos cargos, coincidindo coa publicación dunha fotografía de Raúl Castro nunha visita a Costa Rica en 2015 que demostraba "a súa fuxida a Venezuela". Unha operación organizada O activista contra a desinformación dixital, Julián Macías Tovar, analizou dous millóns de chíos co cancelo #SOSCuba en Twitter, "que comezou pedindo axuda humanitaria coa participación de artistas e miles de contas de creación recente", indica. O cancelo #SOSCuba reactivouse o 5 de xullo xunto con #SOSMatanzas, pola situación sanitaria no hospital desa cidade cubana, incrementándose os chíos a medida que pasaban os días. O 9 e 10 de xullo publicáronse centos de miles de chíos con estes cancelos. A primeira conta que os utiliza nas súas mensaxes mencionando a pandemia procede do Estado español, e escribe mil chíos tanto o 10 como o 11 de xuño, chegando a facer até cinco rechouchíos automáticos por segundo. O 10 de xullo Cuba rexistra o seu récord de falecementos pola pandemia de Covid-19, 31 persoas, explica Macías, a partir do cal se lanza a campaña para o domingo 11 de xullo, salientando que as contas con máis difusión son habituais en campañas "sobre desinformación e bots". A investigación desenvolta polas autoridades cubanas, comunicada polo ministro de Relacións Exteriores, sinala a empresa estadounidense ProActivo Miami Incorporations como a organizadora e executora da campaña. O primeiro uso do cancelo #SOSCuba deseñado pola compañía, viu durante a votación o 23 de xuño na Organización das Nacións Unidas en contra do embargo cubano, moción que só foi rexeitada por Estados Unidos e Israel. Unha semana antes, o 15 de xuño, a empresa recibira a certificación do Departamento de Estado de Florida (EUA) para recibir fondos estatais, denunciou Rodríguez, que exixiu ao Executivo que encabeza Joe Biden que negue ou recoñeza esta campaña. O papel de Twitter nos disturbios "Unha acción inorgánica desde o territorio dos EUA, co apoio de troles, medios dixitais, activistas e sistemas automatizados para converter unha mensaxe en tendencia mundial", así definiu a campaña nas redes sociais o ministro de Relacións Exteriores de Cuba, Bruno Rodríguez, que denunciou que Twitter non activou os seus sistemas antispam, co que lle solicita que cumpra coa súa propia política ao respecto. |
NOS_23669 | Así o decidiu a Xunta de goberno após non obter resposta do Ministerio no requirimento rexistrado hai máis dun mes. | O Concello de Pontevedra recorre a prórroga de Ence, así o acordou a Xunta de goberno esta segunda feira após non obteren resposta por parte do Ministerio de Agricultura ao requerimento presentado hai mas dun mes contra a decisión de prorrogar a factoría de Ence-Elnosa en Lourizán durante 60 anos máis. O portavoz do goberno local do BNG, Raimundo González, asegurou en declaracións aos medios de comunicación que o silencio administrativo debe entenderse --de acordo coa lei vixente-- como unha resposta negativa polo que os Servizos Xurídicos do concello están a traballar xa no recurso cun prazo límite de presentación no 23 de xuño. Así mesmo, o executivo levaráo ao vindeiro pleno para que as demais forzas políticas o apoien. A aspiración do goberno liderado por Miguel Anxo Fernández Lores é que a celulosa "non siga aí aínda que a pinten de rosa", asegurou Raimundo González quen reiterou que o executivo "non parará" até que a pasteira "non" saia das marismas de Lourizán" |
PRAZA_16290 | A vindeira convocatoria de Oferta Pública de Emprego do Sergas non incluirá ningunha praza para especialistas en psicoloxía clínica. O Colexio Oficial de Psicoloxía lembra que dende o 2010 só se convocaron tres prazas e subliña que o ratio galego (3,34 por cada 100.000 habitantes) é moi inferior á media española (4,3) | A vindeira convocatoria de Oferta Pública de Emprego do Sergas non incluirá ningunha praza para especialistas en psicoloxía clínica, o que para o Colexio Oficial de Psicoloxía (COP) significa "un verdadeiro abandono da atención psicolóxica no sistema público de saúde". O COP lembra que dende o ano 2010 tan só se convocaron tres prazas e que na actualidade o número total de especialistas exercendo no Sergas non chega a cen, un ratio de 3,34 por cada 100.000 habitantes moi inferior á media estatal de 4,3. O Colexio de Psicoloxía sinala que "é imprescindible e urxente" convocar 26 prazas "como mínimo" para que Galicia se sitúe ao mesmo nivel que o resto de España. O Colexio de Psicoloxía sinala que "é imprescindible e urxente" convocar 26 prazas "como mínimo" para que Galicia se sitúe ao mesmo nivel que o resto de España "Con esta infradotación de psicólogos e psicólogas clínicas é imposible prestar os tratamentos psicolóxicos que se recollen na carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde", destaca a entidade, "o que implica desatender a saúde mental da poboación galega e vulnerar os seus dereitos recollidos por lei". O Colexio explica que unha de cada tres consultas en atención primaria está vinculada coa saúde mental, "un nivel asistencial no que xa se está a incorporar a psicoloxía clínica noutras autonomías, a diferenza de Galicia". Salientan ademais que en Galicia a prevalencia de trastornos mentais con carácter crónico, como a depresión ou a ansiedade crónicas "supera con moito a media estatal". Sobre o total de persoas con enfermidades crónicas, a prevalencia en Galicia é do 12,06% fronte ao 7,83% estatal no caso da depresión crónica, e dun 12,57% fronte a un 7,6% no da ansiedade crónica, o que esixiría para o COP "unha dotación de profesionais superior a media española". Salientan ademais que en Galicia a prevalencia de trastornos mentais con carácter crónico, como a depresión ou a ansiedade crónicas "supera con moito a media estatal" O Colexio de Psicoloxía denuncia que "ante a falta de tratamentos psicolóxicos a resposta asistencial son psicofármacos" e lembra que desde o 2000 cuadriplicouse o consumo de antidepresivos, segundo a Axencia Española do Medicamento. Subliña que as taxas de suicidio continúan en niveis altísimos, sendo a segunda comunidade autónoma con maior taxa do Estado (11,74 suicidios por cada 100.000 habitantes fronte a 7,76 na media estatal). Critica que "hai dispositivos asistenciais básicos en saúde mental sen psicólogas nin psicólogos clínicos e que son atendidos a tempo parcial", como hospitais de día psiquiátricos, unidades de psicoxeriatría ou unidades de saúde mental, E engade que "seguimos sen contar cun Plan Estratéxico de Saúde Mental en Galicia, unha necesidade urxente". O Colexio de Psicoloxía denuncia que "ante a falta de tratamentos psicolóxicos a resposta asistencial son psicofármacos" e lembra que desde o 2000 cuadriplicouse o consumo de antidepresivos A esta realidade, conclúe, hai que sumar que actualmente "uns 150 psicólogos e psicólogas clínicas que se formaron en Galicia e con cargo ás arcas públicas se atopan nas listaxes de contratación do Sergas", o que supón "unha perda de investimento económico e de recursos humanos para unha necesidade real, a da atención psicolóxica no Sergas". Esta ineficiencia económica increméntase "a través dun modelo asistencial baseado nos psicofármacos, que é máis caro e facilita a cronificación dos problema", engade o COP. |
NOS_8460 | O Foro Galego da Inmigración presenta un manifesto para esixir o encerramento dos Centros de Internamento de Estranxeiros, no marco dunha xornada estatal. Prepara actos en todo o país ao longo desta semana. | Un día polo encerramento dos Centros de Internamento de Estranxeiros (CIES) no Estado español. O Foro Galego da Inmigración presenta ás 11.30 horas o manifesto 'Derrubando Fronteiras', diante da Comisaría da Policía Nacional de Santiago de Compostela, no marco dunha xornada estatal contra os CIES. Ao longo desta semana, prepara actos de protesta en todo o país. "Pretende chamar a atención sobre as diferentes fronteiras que sofren ás persoas migrantes en Galiza e no conxunto do Estado: ás físicas das vallas, CIES ou deportacións; e tamén as menos visíbeis, dos recortes e limitacións de dereitos que sofre este colectivo en Galicia (prestacións e axudas sociais, atención sanitaria, persecución policial, ou explotación laboral)", apunta nun comunicado a organización. En 2014, só 1.593 persoas conseguiron asilo político no Estado español, un 1% do total en Europa. Alerta ademais sobre as agresións contra persoas migrantes, especialmente ás que se atopan en situación de irregularidade administrativa. No acto presentarán "exemplos concretos destas vulneracións graves de dereitos fundamentais que acontecen no noso país". Esta pasada semana, o Grupo Parlamentar do PP tombou de novo unha moción que instaba ao fechamento dos CIES, presentada pola Esquerda Plural, onde tamén se pedía a derrogación do 'rexeitamento en fronteira', unha figura incluída polo PP para lexitimar as coñecidas como 'devolucións en quente' nas vallas de Ceuta e Melilla. 2.572 migrantes repatriados en 2014 Os datos amosan a gravidade da situación. Só no pasado ano, as autoridades españolas detiveron 42.245 persoas estranxeiras. Delas, 7.340 foron internadas en CIES, das que a metade foron expulsadas. Unha cuarta parte, un total de 2.572, foron repatriadas, a maioría a través de Marrocos, segundo dados da Defensora do Pobo, Soledad Becerril, procedentes do Ministerio do Interior. 7.340 migrantes foron internadas en CIES o pasado ano. Becerril advertiu ademais de que os centros de primeira asistencia e detención de estranxeiros –onde son internadas as persoas que chegan ás costas españolas- "non contan cos medios máis acaídos para persoas que veñen dunha travesía que se alarga durante días en condicións moi duras". Tamén suspende o Estado español nas solicitudes de asilo. En 2014, só 1.593 persoas conseguiron asilo político, un 26% do total de solicitudes, a maioría de persoas procedentes dos conflitos en Siria, Ucraína e Mali. A cifra representa un 1% do número de persoas que conseguiron asilo en países europeos o pasado ano. "Existen enormes dificultades para acceder ao procedemento de protección internacional nos CIE, nos postos fronteirizos e nas costas", denunciou a Comisión Española de Axuda o Refuxiado. |
NOS_6369 | Esta quinta feira, 30 de abril, pechábase o prazo para as solicitude de incorporación á Rede de centros plurilingües. A Xunta insiste nun modelo que, nos catro cursos que leva funcionando, demostrou que incrementa a discriminación e beneficia ao ensino privado. | Dos 1200 centros de ensino públicos existentes, tan só 111 forman parte da Rede de Centros Plurilingües que determina a Xunta. A relación muda completamente no ensino privado onde, de 280 son 110 os que son considerados plurilingües. O mesmo número de un a outro só que hai case cinco veces máis centros públicos que privados no territorio galego. O modelo que botou a andar de forma experimental coa orde publicada no ano 2010 imponse como permanente catro cursos despois elaborando un mapa do ensino no que os centros privados saen reforzados fronte ao ensino público. Os plurilingües teñen, entre outros beneficios, axudas especiais para a formación do profesorado e a posibilidade de que o alumnado poda facer no propio centro as probas para conseguir o título B-1, o que non acontece nos que non se sumaron á Rede de Centros Plurilingües. Pola súa parte, a denominación de plurilingüe experimentou, na práctica, unha nova segregación xa que, á propia económica que está maiormente vinculada á selección de centros privados súmase agora unha nova selección que conduce aos plurilingües ao alumnado con maiores capacidades e posibilidades formativas. Eliminar o galego no ensino "O modelo en si mesmo é a imposición dun novo fraude pensado máis unha vez para reducir a presenza da lingua galega no ensino", comeza o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao que ten reclamado en distintas ocasións a retirada do decreto. "Se se quixera pular polo ensino das linguas estranxeiras tería que ser para todo o alumnado, con profesorado abondo e non crear un mapa de centros de primeira e segunda como o que están a facer", sinala dunha realidade discriminatoria que denuncia de novo. Para a CIG-Ensino, a norma establece unha barreira selectiva e segregadora para o alumnado que ten como único obxectivo a redución da presenza do galego no ensino. "É imposíbel acreditar en que a implantación dun terzo do horario en inglés vai supor máis destreza nesta lingua, cando non se adoptan medidas que son absolutamente necesarias para incentivar a aprendizaxe dun idioma, como a redución de alumnado por aula e a dotación de máis profesorado. Alguén pode pensar que con trinta ou máis alumnos e alumnas na aula é posíbel que todos e todas adquiran destrezas nunha lingua estranxeira? É imposíbel", defende De novo no Parlamento A realidade dos centros plurilingües e os beneficios que supón para o ensino privado chegou de novo ao Parlamento da man da deputada nacionalista Ana Pontón na comisión no que o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, defendía o novo plan destinado ao sector socioeconómico. "O modelo significa a fraude do plurilingüísimo que se incrementa na ESO onde a relación vén sendo de 5 privados a un público. Trátase só de propaganda sen visos ningún de realidade e de aí que non estean avaliando as competencias lingüísticas", explica a deputada do BNG, que en breve demandará no propio Parlamento a avaliación do decreto. "A lei obriga á igualdade de coñecemento do galego e o español e os datos falan de que un de cada catro menores de quince anos non sabe falar galego. Véndese como plurilingüísmo cando a realidade é que se está a impartir educación física ou artística en inglés e eliminando a nosa lingua do ensino", denuncia Pontón. |
PRAZA_13622 | O Parlamento só aprobou tres das 23 normas anunciadas polo presidente en xaneiro. Cinco están en trámite e outras 15 aínda non foron remitidas á Cámara. | "Ao final veñen as présas". Poucos estudantes non terán escoitado esta frase, ou algunha semellante, procedente do seu entorno familiar ou académico máis próximo ao achegarse os últimos días do curso escolar, cando se acumulan traballos, exames e tarefas pendentes. Esta advertencia sería tamén aplicable ao ámbito político cando o que se aproxima non é a fin do curso, senón da lexislatura, e non é exclusiva de ningunha cor política. Así, por exemplo, ao convocar as pasadas eleccións xerais ao gabinete de José Luis Rodríguez Zapatero quedáronlle no caixón normas como a Lei de Morte Digna ou a Lei de Igualdade de Trato e non Discriminación, entre outras. Algo semellante lle aconteceu ao bipartito que formaron na Xunta PSdeG e BNG, ao que a cita coas urnas o colleu con normas como a de Publicidade Institucional ou Montes a medio tramitar. Todo semella indicar que o actual Goberno galego baterá na mesma pedra deixando no aire, como os seus antecesores, se ese tropezo ten ou non algo de intencionado. A finais do pasado xaneiro Alberto Núñez Feijóo presentaba o roteiro do seu Executivo ata o remate da lexislatura en forma de "calendario lexislativo". A través dun informe presentado tras un Consello da Xunta manifestaba a súa intención de remitir ao Parlamento e concluír a tramitación de vinte e tres leis que afectaban á práctica totalidade das consellerías. Deste xeito, anunciaba, culminaría o seu mandato cun "20% máis" de normas aprobadas que na lexislatura do bipartito. Dende xaneiro e ata a actualidade tres desas leis foron xa aprobadas e outras cinco están en trámite parlamentario. Entre as quince restantes atópanse algunhas das máis mediáticas, cuxa mera entrada no lexislativo tería unha importante repercursión pero que, en caso de adianto electoral, sería practicamente imposible aprobar -ao rematar unha lexislatura, os proxectos de lei que están pendentes, decaen-. Das vinte e tres prometidas xa recibiron o visto e prace do Parlamento a Lei de Vivenda, a de Xuventude e a de Montes Así as cousas, das leis incluídas nese calendario xa recibiron o visto e prace definitivo da Cámara a Lei de Vivenda, a de Xuventude e a de Montes e están en diferentes puntos da súa tramitación a Lei do Sistema Universitario, a de Impuso e Ordenación das Telecomunicacións, a de Fomento da Investigación e a Innovación, a de Transporte Público en Vehículos de Turismo -Lei do Taxi- e a Lei de Inclusión Social, esta última, como ten informado Praza, recibida polo Consello Económico e Social con fortes críticas. Entre as quince pendentes inclúense algunhas que, de saír adiante, non terían, a priori, especial relevancia pública, caso por exemplo da Lei de Industria Marítima ou da Lei de Xestión Portuaria. Outras teñen un ámbito máis ou menos sectorial, como a Lei de Patrimonio Cultural e outras mesmo poderían abrir frontes de polémica para o Executivo, caso por exemplo da Lei de Caza, da de Acuicultura ou da nova Lei da Función Pública, que chegaría no medio dunhas tensas relacións da Xunta co funcionariado. Leis 'apetecibles' en precampaña electoral A Lei de Publicidade Institucional era considerada "urxente" polo Goberno galego ao inicio da lexislatura Pero xunto a estas están as que si poderían ser especialmente apetecibles para un Goberno en precampaña electoral, mesmo caendo na tentación de iniciar o seu trámite sabendo que este non vai rematar. Isto aconteceu, por exemplo, coa Lei de Publicidade Institucional do bipartito e podería volver acontecer, precisamente, con esta mesma lei. Considerada "urxente" polo conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, dende o comezo da lexislatura esta normativa para regular a propaganda oficial foise dilatando no tempo. Prometida en múltiples ocasións, finalmente atopou oco neste último calendario lexislativo do mandato, pero, co curso parlamentario acabado de rematar, aínda non pasou polo Pazo do Hórreo. Igualmente proclive a saír á palestra en tempos preelectorais é outra das normas pendentes, a nova Lei da Xunta e da súa Presidencia que, á espera de coñecer os seus contidos, é de agardar que inclúa recortes ou reestruturacións da estrutura administrativa ou de altos cargos do Goberno, na liña coa "austeridade" que o gabinete de Feijóo sitúa como un dos seus emblemas esenciais. Neste escenario aínda restarían, cando menos, outras dúas normas que poderían ser empregadas dende San Caetano como un impulso cara ás urnas e que afectan a dous ámbitos especialmente sensibles, a sanidade e a emigración. Atendendo á promesa presidencial antes de que expire a lexislatura tería que ser aprobada a Lei de Garantías de Prestación Sanitaria, o que equivalería a que, cando menos sobre o papel, a Xunta garante por lei tempos de espera máxima para intervencións cirúrxicas ou consultas en medio da treboada de recortes. O mesmo tería que acontecer coa Lei de Apoio ao Retorno, enfocada a unha emigración galega que sería especialmente determinante en caso dun escenario electoral axustado. |
NOS_21967 | Un informe interno da Comisión Nacional do Mercado de Valores apunta que xa hai dous anos tiña coñecemento de que na venda de preferentes e subordinadas as entidades empregaban "malas praxis". | O CNMV detectou en 2011 que as prefrentes comercializadas polas entidades financeiras eran unha fraude. Un informe interno do organismo regulador apuntaba a que bancos e caixas botaban man de malas prácticas e enganos para vender este tipo de produtos. Mais ocultou este informe e estes datos á opinión pública. Así o desvela El Confidencial, que tivo acceso a este informe. A CNMV detectou que en 2011 había emisións de preferentes e subordinadas cun nominal en circullación de 46.000 millóns de euros por riba do seu valor razonábel. Mesmo sinalaba, segundo El Confidencial, que Novacaixagalicia recoñecera que "os prezos aos que mercan os clientes están moi alonxados do valor razonábel" deses produtos. |
NOS_50063 | Confesa certas fraquezas persoais o noso crítico de cabeceira esta sexta feira. E un remedio: ir ver un filme de superheroes para fartar de rir. | DEADPOOL (EUA 2016, 108 min.) Dirección: Tim Miller Guión: Rhett Reese e Payl Wernick Fotografía: Ken Seng Música: Junkie XL Elenco: Ryan Reynolds, Ed Skrein, Morena Baccarin, T.J. Miller, Jed Rees, Gina Carano, Brianna Hildebrand, Karan Soni, Michael Benyaer, Syle Dayne, Randal Reeder, Leslie Uggams, Stefan Kapicic, Greg LaSalle SINOPSE Wade Wilson, un mercenario ex-soldado das forzas especiais, é diagnosticado dun agresivo cancro terminal. Unha organización secreta promételle unha cura milagrosa sempre que se someta a un tratamento secreto. Tras pasar por un proceso de mutación adquire poderes de curación instantánea a cambio de ser un soldado obediente, mais Wade non obedece a ninguén máis que a si mesmo. CRÍTICA Esta semana tiña programada unha excelente peli sisuda para esta sección pero, oh! circunstancias da vida, "tiven" que saír de xolda por motivo de que mudei de década e o meu corpo, que xa non recupera tan rápido coma en tempos máis mozos, pedíame unha película faciliña... das de "non pensar"... Así que en troques de meterme a ver Hitchcock/Truffaut de Kent Jones, Cementery of Splendour de Apichatpong Weerasethakul, A nosa irmá pequena de Hirozaku Koreeda, O novato de Rudi Rosenberg, A lembranza de Marnie de Hiromasa Yonebayashi ou O conto da princesa Kaguya de Isao Takahata virei cara onde poñían Deadpool. Mira que tiña onde elixir dentro dunha carteleira chea de cinefilia da boa, pero non, tiven que meterme nunha da Marvel... E iso que a semana pasada tocou a de Batman v. Superman. Manda carallo! Que obsesión! Pero non... a cousa foi motivada por esa resaca de campionato que tiña. Mais sabedes que? Non me arrepinto nin tampouco me sentín estafado. De feito partinme o cu durante un bo rato. En serio, fartei de rir... Para que non leu nunca o cómic, o tal Deadpool é un superheroe mestura de Darkman, Blade e o Castigador con poderes de curación inmediata (coma Lobeto, ou mellor incluso) e que rompe constantemente a cuarta parede, é dicir, que fala co lector... espectador neste caso. Isto dá un xogo impresionante que souberon levar bastante ben na adaptación cinematográfica. Autorreferencias, homenaxes cinéfilas, autoparodia, violencia gratuíta, acción trepidante, humor negro, tacos, sexo e moita moitísima retranca son o signo de identidade desta nova forma de cinema de superheroes. Até se atreve a referenciar (e rirse) da chapuza que se marcaron co Deadpool de X-Men Orixes. Xenial. As risas... Un verdadeiro sopro de aire fresco. Centos de brincadeiras que podemos perdernos se pestanexamos. Un combinado de acción, comedia, drama e incluso romance moi ben remexido e medido ao milímetro. Gran parte da culpa deste brutal torrente de creatividade é do director Tim Miller, animador e supervisor de efectos visuais, que debuta na dirección, o cal semella aportar ao filme esa enerxía, cariño e dedicación que soen poñer os que se inician nesta andadura. Atención aos títulos de crédito, tanto iniciais coma finais. Unha delicia... En fin e resumindo, é por tanto Deadpool un peliculón? Por suposto que non... Mais entretén dabondo como para consideralo un excelente filme para botar unhas risas e unha das máis orixinais propostas de superheroes até o momento. Ademais, o mellor de todo, é que abriu a caixa de Pandora. Os de DC Comics, para contrarrestar á Marvel, contraatacan (por fin!) coa adaptación do antiheroe Lobo de Giffen/Sliffer (popularizado por Grant/Bisley). Unha posibilidade que fai tempo que poñía o cu pepsicola a todo/as os/as fans e que dentro de pouco será realidade. Conque estea a altura deste Deadpool xa sería máis que suficiente para facer unha boa taquilla, mais o material que ten Lobo pode dar para moito máis. Haiche moitas expectativas postas nesta adaptación, o cal é bo e malo ao mesmo tempo pois xera moitas dúbidas: pode ser un filme de culto ou unha cagada monumental... Haberá que agardar en calquera caso. Entrementres igual se estrea antes a segunda parte de Deadpool. |
PRAZA_20483 | Chegou o momento de decidirmos se estar a favor dunha rexeneración e, por tanto, se deixamos que esas cicatrices, esas fendas, pechen en falso, ou se cómpre facer por agrandalas cunha decisión por crebar de base este réxime. É dicir, imponse resolver a dicotomía: ou seguimos desbordando ou permitimos o dique que conteña a marea. | Desbordar. Unha palabra que caracterizou os movementos políticos e sociais do último ciclo, desde o 15-M até o xurdimento de En Marea. O desbordamento dos marcos establecidos, das pautas herdadas, mentais e orgánicas, que aprisionaban a potencia da indignación colectiva. Houbo que repensar tácticas e estratexia; o 15-M lanzou preguntas como retos, cuestionou camiños que parecían seguirse máis por inercia que por convicción. Afectadas por esa incerteza, aínda temos máis preguntas que respostas, máis dúbidas que certezas, pero conservamos os novos sucos que abriron esas dúbidas, como cicatrices que cómpre manter abertas. Unhas cicatrices inflixidas nun réxime aínda firme, mais marcado por esa inestabilidade que non acaba de pecharse, que non pode pechar en falso e contra nós, a maioría social agredida. Chegou o momento de decidirmos se estar a favor dunha rexeneración e, por tanto, se deixamos que esas cicatrices, esas fendas, pechen en falso, ou se cómpre facer por agrandalas cunha decisión por crebar de base este réxime. É dicir, imponse resolver a dicotomía: ou seguimos desbordando ou permitimos o dique que conteña a marea. A encrucillada, desde logo, formula un reto, máxime cando todo parece expresarse en forma de repregamento, unha caída desa participación das clases subalternas que nun primeiro momento se expresaron nas rúas para logo golpear no terreo electoral e abrir nas institucións a ventá de oportunidade que permanece sen pechar. O esgotamento deste ciclo complexo, con actores e niveis de conciencia diversos, está a significar un baleirado de moitas das novas estruturas políticas xurdidas ao seu abeiro. O deterioro e o bloqueo desa presión desde abaixo, desa forza militante difusamente organizada, dese desbordamento multitudinario que o foi impugnando todo dunha forma creativa como non ocorrera antes, acaba favorecendo, cando non xustificando, certas tendencias ao aggiornamento destes novos suxeitos políticos que naceron para ser ferramentas dunha multitude en proceso de organización e non instrumentos para normalizar, canalizar e redirixir a potencia do seu combate a zonas de confort e de participación coas lóxicas do réxime. Non é casual, nese sentido, certo empoderamento un tanto oportunista de camarillas no seu seo, con aliñamentos preideolóxicos por postos de control, porque todo iso circula en paralelo á moderación dos discursos e das prácticas. Non habería maior derrota que o triunfo destas tendencias en favor da nosa mimetización con todo aquelo que impugnamos. Galiza foi pioneira no desenvolvemento creativo de novas fórmulas políticas que en si significaron unha ruptura coas lóxicas do réxime e coa ilusión de estabilidade política que este ofrecía Galiza foi pioneira no desenvolvemento creativo de novas fórmulas políticas que en si significaron unha ruptura coas lóxicas do réxime e coa ilusión de estabilidade política que este ofrecía. Desde a irrupción de AGE, que rompeu fronteiras e soubo conectar coa vaga de indignación das prazas e das diversas loitas sociais, pasando polo agromar das mareas municipalistas coa democracia de base como práctica e a cidadanía do común como suxeito activo, até a formación de En marea como forza que recolle todas as experiencias previas de construción de unidade popular, de confluencia e de acumulación de forzas nun proxecto contrahexemónico. En Marea sintetiza este proceso complexo, con todos os seus acertos pero tamén coas súas limitacións, e esfórzase en impulsar unha nova cultura política baseada na elaboración e decisión colectivas, na incorporación de prácticas horizontais que poñan o común por enriba de intereses de parte, sexan partidarios ou de grupo, e na determinación de seguir actuando politicamente guiada polo compromiso cunha saída da crise de réxime en chave de ruptura. Os documentos aprobados na Asemblea do Mar de Vigo, nun exercicio de desbordamento democrático, caótico pero fecundo, marcaban con claridade ese rumbo, esa determinación política e por tanto tamén orgánica. Mais os últimos pasos que se deron, desde a elección da Coordinadora, non apuntan nesa dirección. En primeiro lugar, pola supremacía de lóxicas políticas sometidas ao espazo institucional, principalmente no parlamento galego, co conseguinte abandono da necesidade de articulación do movemento nos espazos da sociedade civil. A confusión entre o orgánico e o institucional pon en grave risco a propia condición de En Marea como instrumento para a ruptura democrática. En segundo lugar, e en parte como consecuencia do anterior, porque asistimos aos inicios da construción dun modelo de partido clásico con mecanismos de ratificación unidireccional e presidido pola cultura da delegación fronte ao proxecto do partido-movemento en sentido amplo. Un partido clásico de corte electoral, cun corpo cerrado de militantes e unha elite que apenas ofrece a posibilidade de plebiscitar decisións previas. Todo o contrario do movemento aberto e de desbordamento que se vén intentando construír durante todo este proceso. En terceiro lugar, e tamén en profunda relación co anterior, polo acomodamento do discurso e da práctica política ao estreito marco do posible, pese a algunhas apelacións abstractas a unha política rupturista sen concrecións na práctica diaria. Esta asunción de prácticas de partido de réxime tradicional, unha especie de restauración dun modelo xa fracasado, contradí o espírito fundador de En marea como aglomeración plural de partidos, mareas municipalistas e cidadanía non organizada na que a adscrición a un manifesto substituía a militancia clásic. A xestión desa pluralidade é un dos grandes retos do espazo, que debe camiñar cara a unha apertura e conexión permanentes cos movementos das clases populares galegas, cos seus intereses e a súa vida cotiá. Sen esa diversidade inclusiva, sen a estruturación dun espazo vivo, dunha ferramenta propia para a transformación das nosas vidas, En Marea corre o perigo de fosilizar mesmo antes de consolidarse, de converterse nunha forza cativa e gris, incapaz de recoller o impulso destituínte sen o que nunca será nada. A xestión desa pluralidade é un dos grandes retos do espazo, que debe camiñar cara a unha apertura e conexión permanentes cos movementos das clases populares galegas Estamos fronte á posibilidade de peche por arriba dun espazo que non se rematou de abrir. Por iso, ante un retorno a vellas formas e prácticas superadas, reivindicamos unha ancoraxe necesaria nos consensos constituíntes do Mar de Vigo para, desde eles, seguir construíndo o movemento de ruptura que precisamos. Para iso, cómpre insistir no establecemento de mecanismos de control democráticos que impidan que desta ferramenta se apropien intereses de parte. Nesa tarefa estamos todas as que cremos na democracia radical, na rebelión cívica, na superación en discursos e na práctica deste réxime podrecido e das lóxicas que nos segue impoñendo. Para abrir espazos é imprescindible sacar os debates dos despachos, desbordar as lóxicas de aparellos e cotas de poder, facer política con maiúsculas e situar as ideas no centro dos debates. Cómpre construírmos colaborativamente un programa de ruptura que dote a este suxeito balbuciente dunha base política firme alimentada por fontes diversas. E o marco político do espazo de ruptura non pode ser outro máis ca a conquista de soberanía popular, o poder de decidir para decidilo todo, para crebar os marcos abafantes do réxime do 78, do modelo de construción europea e das propias bases dun sistemas alienante, inxusto e violentamente cruel. Necesitamos abrir as cancelas para mudalo todo, para que nada quede sen cambiar, e para iso cómpre tamén articular alianzas rupturistas en varias escalas. A disputa polo poder político no marco da representación e a construción de contrapoder desde abaixo son procesos complementarios e necesarios. Esta interacción precísase para desbordar os límites que impoñen as institucións. Os cadros do movemento fórxanse no espazo do conflito, non nos corredores nin nas tribunas, senón xerando comunidades de resistencia e solidariedade. Pero o réxime tamén se vai defender ofrecendo a posibilidade de descender aos engados do cretinismo parlamentario de que falaba Lenin. A disputa polo poder político no marco da representación e a construción de contrapoder desde abaixo son procesos complementarios e necesarios O debate político hoxe é tamén un debate sobre modelo de organización. Ao plenario do vindeiro dia 15 de xullo concorren dous proxectos antagónicos, pese a que se queiran enmascarar as diferenzas (non hai mellor forma de furtar o debate). Dunha banda, un proxecto vertical, de construcción unidirecional de arriba a abaixo conforme a modelos clásicos esgotados, un modelo institucionalista e electoral, que non dubida en supeditalo todo, tamén a radicalidade do discurso e da práctica, e non perder votos, a mostrarse como opción de recambio e non de ruptura, a facerse aceptable para unha fase de estabilización da crise e do réxime. Un partido de réxime acomodado ao "estado natural das cousas". Da outra banda, un modelo de apertura e desbordamento que recolla a pluralidade, que impugne o existente e organice nas rúas e nas institucións a rebelión, que aposte por romper marcos e non adaptarse a eles, que pense máis alá, nun horizonte de ruptura ao que ir suxeitando as súas formulacións e metodoloxías. En Marea non pode ser un instrumento estático e ríxido, é un espazo que debe expandirse, xerar tecido e articular movemento de ruptura. Para iso conta xa con pancas coñecedoras do terreo, as mareas municipais, a marea municipalista de Galicia, que é o espazo político real onde En Marea segue viva e con toda a potencia de desenvolvemento e avance intacta. As mareas municipalistas representan ese corpo da En Marea que proxectamos e queremos. Desde o respecto á súa autonomía e soberanía, serán piares do espazo de ruptura e confluencia. No plenario do día 15 de xullo dirimiranse ambas as opcións, máis alá dos despachos, do institucional e das burocracias. Non hai peche por arriba que resista a potencia do desbordamento, da participación colectiva, do debate político amplo e da praxe radical da democracia en todos os ámbitos. Non hai repregamento que anule a potencia de ruptura, destituínte e de movemento, que, con todos os momentos do proceso de unidade popular, co manifesto dos alcaldes de hai un ano e co plenario do pasado 30 de xullo de 2016, deu lugar á En Marea que realmente importa. A marea republicana, da rebelión e a ruptura na dirección dun proceso constituínte. |
PRAZA_519 | A formación opta por decisións diferentes nas dúas cidades onde non acadara o quórum para elixir a súa fórmula de cara ás municipais. Renuncia a confluír con ningunha das iniciativas cidadás xurdidas en Vigo, mentres oficializa a súa integración en Ourense en Común, que confirma unha ampla confluencia. | En Ourense si, pero non en Vigo. Podemos vén de anunciar case simultaneamente que non apoiará candidatura de unidade cidadá ningunha na cidade viguesa pero que se integrará, pola contra, na plataforma Ourense en Común. As dúas cidades onde as asembleas cidadás da formación non conseguiran reunir o quórum necesario para oficializar a consulta sobre a forma na que acudir ás eleccións municipais optaron por decisións diferentes. Podemos decide integrarse en Ourense en Común pero en Vigo non concorrerá aos comicios locais Xa que logo, Podemos intégrase finalmente nas mareas cidadás de Santiago (Compostela Aberta) e da Coruña (Marea Atlántica), ademais de en LugoNovo, a Marea de Pontevedra e Ourense en Común, pero non participará nos comicios en Vigo. Queda por saber o que ocorre en Ferrol, onde a situación de interinidade da formación impediu até o de agora unha decisión. O secretario xeral do Consello Cidadán de Podemos en Ourense, Alfonso Víctor Ferreiro, explicou este venres que a formación opta por confluír en Ourense en Común, á que considera unha "ferramenta para recuperar deomcraticamente unha institución que lle foi roubada á cidadanía pola corrupción". Decidiu a dirección local, previa consulta á autonómica e á estatal, confirmar unha integración que xa era efectiva desde que a plataforma cidadá comezou a súa andaina, na que participaron varios dos membros do partido. A escasa participación na consulta cidadá da pasada semana foi un golpe para Podemos en Ourense, que xa tiña presentado ata tres candidatos afíns para completar a lista unitaria (Carlos García Martell, Santiago González Pereira y Marcela Carrera Navarro). Pero a boa sintonía entre a formación e os impulsores de Ourense en Común, e o traballo compartido, fixeron o resto para complear unha candidatura na que se inclúen tamén EU, Anova, CxG, Espazo Ecosocialista, Iniciativa por Ourense, Equo, Por Un Mundo Más Justo e Demos +, nunha confluencia ampla semellante á da Marea Atlántica da Coruña. A plataforma cidadá de Ourense acada unha ampla confluencia na que se inclúen EU, Anova, CxG ou Equo Non ocorre o mesmo en Vigo, onde Podemos decidiu finalmente non concorrer aos comicios locais do 24 de maio. A formción tampouco foi quen de decidir se apoiaba a Marea de Vigo, Vigo en Común ou se impulsaba outra candidatura de unidade cidadá tras non alcanzar o 10% de quórum exixido para validar os resultados. Así, a formación anunciou que "non apoiará ningunha plataforma nas próximas eleccións municipais", malia que varios dos membros do seu consello cidadán participaron activamente na Marea de Vigo nos últimos meses. Finalmente, Rubén Pérez, coordinador local de Esquerda Unida en Vigo, converteuse no único candidato a encabezar a lista da Marea de Vigo de cara ás eleccións municipais. Foi o único que se presentou ás primarias para ser o alcaldable nunha plataforma cidadá que apoian a propia EU, Anova e Espazo Ecosocialista. Ademais, outras quince persoas máis presentáronse tamén ás primarias para completar a candidatura dunha marea onde non hai aspirantes de Podemos, "O Consello Cidadán de Podemos Vigo decidiu non solicitar ao Consello Cidadán Galego unha nova votación sobre o seu apoio nas próximas eleccións municipais e cinguirse ao aprobado polo 80% dos inscritos en Podemos na asemblea cidadá Sí se puede que determinou que Podemos non se presentaría ás próximas eleccións municipais", explica nun comunicado a formación, que ante o escaso apoio das bases na consulta levada a cabo a pasada semana -e que impediu o mínimo de participación exixido nos estatutos- non confluirá agora en ningunha das iniciativas cidadás xurdidas na cidade, malia que a aposta da dirección a apoiar a Marea parecía clara. O escaso apoio das bases de Podemos na consulta impedira o quórum para decidir a aposta nas eleccións locais Na Marea de Vigo, a presentación dunha soa candidatura para aspirar á alcaldía coincide co ocorrido na Marea Atlántica da Coruña. Pero no caso da iniciativa coruñesa, foron os sete partidos que a apoian as que coincidiron en non presentar candidato ningún e optar por unha figura de consenso e sen carné partidario, representada na figura de Xulio Ferreiro. Para a elección do resto da lista nas primarias -que se celebran esta fin de semana- as diferentes formacións presentaron cadansúas listaxes, nas que se inclúe tamén unha opción integrada por cidadáns independentes que impulsaron a plataforma desde o seu inicio. No caso de Vigo, será o coordinador local de EU quen aspire á alcaldía, mentres que o resto de integrantes da lista, ao que aspiran algún outro integrante de EU e de Anova, entre outros, serán decididos na votación que se celebre o vindeiro día 14. Desde a Marea, e ante as posibles críticas á única presenza dun aspirante, entenden que "o importante foi o proceso", que permaneceu aberto a calquera persoa que asinase o manifesto e que estivese disposta a optar a liderar a candidatura. "Quen se quixese presentar, puido facelo", insisten. As primarias para completar o resto da lista da Marea de Vigo celebraranse o vindeiro día 14 Agora queda tamén saber o que ocorre con Vigo en Común, que celebrará as súas primarias o vindeiro día 18 e que aínda non pechou o seu proceso de participación. Desde esta plataforma, fan un "chamamamento á participación doutras forzas políticas da cidade co fin de construir unha fronte ampla" e insistiron especialmente na "participación individual da militancia de Podemos Vigo" porque "a cidadanía non entendería a sua decisión de non concorrer as vindeiras municipiais logo das espectativas xeradas coa súa aparición". Pero a formación de Pablo Iglesias xa decidiu. Ademais, a posibilidade de que Vigo en Común e a Marea de Vigo conflúan é totalmente inviable, polo que só quedaría por ver que actitude toman os simpatizantes de Podemos de cara ás vindeiras eleccións. Pola súa banda, en Ferrol, onde Podemos está en situación de interinidade tras anularse as eleccións á dirección local, varios militantes traballan xa en intentar fortalecer unha candidatura de unidade unitaria como a Marea Ártabra, onde se integran xa EU ou Anova. |
NOS_34834 | Afirman que nas mortes pola Covid "tamén incidiron situacións de neglixencia e abandono" e denuncian que durante a crise nos centros, "foron violentados dereitos fundamentais como dereito á vida, á saúde, á non discriminación, á vida privada e familiar e á morte digna". | A Federación galega pola defensa dos dereitos de usuarios de residencias 'Vellez e Dignidade' reclaman unha investigación sobre o acontecido durante este ano de pandemia ("oficialmente son case 800 mortos", engaden) e esixen solucións ás carencias de material e persoal que denuncian que segue a haber nas residencias. "Estes días hai un ano que comezaron os contaxios e mortes en residencias –a primeira, en Celanova– e os contaxios masivos en centros como Aldán, Barreiro ou San Lázaro –os que recibiron máis denuncias e nos que o mal funcionamento xa dera orixe ás primeiras asociacións de familiares, mais DomusVi e a Xunta sempre ignorou as súas queixas", indican nun comunicado desder 'Vellez e Dignidade'. Case a metade das persoas maiores mortas na Galiza pola Covid foron nas residencias malia que nelas só viven o 3 % deles, denuncian. Sinalan o grupo DomusVi como "destacado tanto en numero de contaxios como de falecementos, acumulando o 40 % das falecidas". "A xustiza no pode ser indiferente ante case 800 mortos. A Valedora do Pobo tampouco" Para esta organización DomusVi resume "moitas das causas que produciron a catástrofe": desorganización por falta persoal, dúbidas na aplicación de protocolos, decisións erróneas, darse "de forma sistemática información falsa os familiares sobre o estado de saúde dos maiores",…. S "As familias non imos esquecer o que pasou nin renunciaremos a que se investiguen as causas e os responsábeis do que pasou en moitos centros de grandes empresas como os de DomusVi (casos como Barreiro e Aldán) ou nos da Fundación San Rosendo no Incio, A Farixa e Os Gozos (ambas en Ourense) ou en centros privados máis pequenos como Celanova". Un ano despois, lamentan, non houbo comisión de investigación parlamentar "nin tampouco se realizou, de oficio, ningunha investigación xudicial sobre as residencias. Tampouco se incrementou o persoal nin se melloraron substancialmente os recursos materiais e de vixilancia e fiscalización dos centros por parte das consellerías de Sanidade e de Política Social". Lamenta, ademáis, que no Parlamento galego "non se teña activado a comisión de investigación que reclamamos as familias". "A xustiza no pode ser indiferente ante case 800 mortos. A Valedora do Pobo tampouco. Non protexe ás vítimas, limítase a transmitir informes da Administración. Seguimos sen saber os mortos de cada residencia antes de agosto. Esa ausencia de datos só favorecen os responsásbeis, e prexudica os cidadáns". |
PRAZA_6842 | Alguén sabe por que non se abriu algunha causa para investigar se o PP é unha organización con carácter delituoso e se procede a súa ilegalización? | Se o Reino de España se considerase unha empresa e fose auditada de modo profesional nestes momentos sería declarado en quebra. Deixo de lado aquí se unha sociedade á que se lle está retirando a protección social do Estado, pagando o prezo os máis débiles, non é unha sociedade xa arruinada, refírome aquí á evidente quebra política e moral. Que o partido que goberna é, de arriba abaixo, unha máquina de fabricar corrupción e non sabemos se tamén extorsión, da que se alimentan os seus dirixentes e a súa estrutura mesma España está en quebra moral. Os poderes establecidos invocan a "razón de Estado" para garantir a estabilidade, é dicir a continuidade. En nome da responsabilidade quérese obviar a evidencia de que estamos gobernados por persoas que sabemos que cobraron durante anos sobres con diñeiro negro, do que ignoramos a súa procedencia. Que o partido que goberna é, de arriba abaixo, unha máquina de fabricar corrupción e non sabemos se tamén extorsión, da que se alimentan os seus dirixentes e a súa estrutura mesma. Un partido coa estrutura económica dunha organización delituosa, con caixa A, caixa B e agora sabemos da caixa C. En nome da responsabilidade dáse por feito que é normal que estean no Goberno e debemos aceptalo para non ser chamados irresponsables. O Estado Español ilegalizou xornais e partidos, alguén sabe por que non se abriu algunha causa para investigar se o PP é unha organización con carácter delituoso e se procede a súa ilegalización? Algún motivo que non sexa a complicidade, evidentemente. Pero tamén é evidente que o outro partido que sostén co seu abrazo o sistema político actual tamén é refén da súa historia recente, é lóxico que apareza manchado por casos de corrupción porque ten responsabilidades na creación e condución do sistema político que rebentou. Non, cando a sociedade busca un referente moral non mira tampouco cara ao PSOE. O Reino de España é agora un recipiente de podremia. Pero a putrefacción non é o final, só é unha fase no ciclo da vida, da descomposición nacen novos seres vivos. Para aproveitar o desgaste de que acusaban os dous partidos que sostiveron o sistema político naceron seres como UPyD ou Ciutadans, pero o desgaste xa é unha fase acabada, estamos na podremia e desa descomposición nace e aliméntase Podemos. Cos novos casos de corrupción sistémica que afloran, coas sucesivas noticias de corruptelas crece Podemos semana a semana. Cos novos casos de corrupción sistémica que afloran, coas sucesivas noticias de corruptelas crece Podemos semana a semana. As persoas que inchan coa súa intención de voto a ese novo partido non buscan aí unha nova política, o que buscan é un castigo Quen sinalan perigos, limitacións ou astucias nese novo partido poida que acerten ou non, pero iso non serve de nada cando esas críticas serven para tentar apontoar os alicerces do réxime. As persoas que inchan coa súa intención de voto a ese novo partido non buscan aí unha nova política, o que buscan é un castigo, porque cren que o castigo é unha necesidade moral e desexan o momento de dar azoutes a torto e a dereito. A enerxía que os move non é a esperanza, a ilusión ou a confianza nun novo proxecto, trátase aínda da fin dunha vella época. Trátase dunha desesperación que dá a medida da quebra moral dunha sociedade. |
NOS_14192 | Dilma Rousseff e Aècio Neves mídense na volta definitiva das presidenciais, cunhas enquisas moi igualadas nas que os poderes clásicos do continente queren rematar coa xeira de doce anos do Partido dos Trabalhadores. | A mandataria brasileira e candidata á reelección, Dilma Rousseff, e o líder opositor, Aécio Neves, afrontan hoxe unha elección de complicado prognóstico na segunda volta das presidenciais, moi abertas e cunhas enquisas igualadas, nas que a candidata do Partido dos Trabalhadores acabou obtendo unha pequena vantaxe sobre o da dereita, que aspira a poñer fin ao ciclo que abriu hai anos Lula da Silva. Mídense nas urnas dous proxectos totalmente distintos: Rousseff pode presumir da boa xeira histórica do país desde que o goberna o seu partido, malia que escándalos de corrupción -asumidos e polos que pediu desculpas- teñan ensuciado a súa xestión, moi apreciada polas esquerdas do continente. Estados Unidos e o empresariado de elite queren a vitoria de Neves, namentres os apoios de Dilma proceden das clases populares Neves representa á dereita clásica de América do Sur, co apoio do grande empresariado e tamén con intereses de EUA detrás. Conta así mesmo co apoio da derrotada na primeira volta, Marina Silva. Utiliza a corrupción como arma e cun programa neoliberal máis ou menos camuflado intenta conseguir apoios entre o descontento e quen pide un cambio logo de doce anos do PT no poder. Rousseff -cuxos apoios pertencen sobre todo ás clases populares, mesmo a das favelas- insiste en que o proxecto de mudanza total do Brasil que comezaron a principios dos 2000 non pode pecharse agora e baseou a súa campaña da defensa do legado da súa formación, moi por riba das promesas de futuro, que resume na idea de "mudar aínda máis". Comezou esta campaña con dúbidas, pero o último debate decantouse ao seu favor. Hoxe as urnas falarán, nunha data histórica. |
NOS_36928 | Era grande a admiración de Paco Souto (A Coruña, 1962-Razo, 2017) por ese outro noso altísimo poeta que foi Antón Avilés de Taramancos, que nunca deixou de ser fiel ás súas orixes labregas e á memoria da súa avoa. | Se a presenza de Pepa de Pastora é fundamental no canto lírico de Avilés, non menos importante é a figura de María na obra poética de Paco Souto. As horas de María / Paco Souto / Espiral Maior / 2007 / 54 páxinas / 14 euros Ambas as mulleres representan moi ben esa estirpe feminina de orixe humilde que viviu permanentemente no amor á terra. Foron as nais e as avoas que xa non están entre nós e coas que se extinguiu para sempre unha cultura milenaria e un xeito de vivir que permaneceu case inalterábel durante séculos. E sempre levando o mundo na cabeza: "Mulleres paxe de grelos / Mulleres balde de peixe / Mulleres cesto de ovos / Mulleres manteiga e leite". Diso vai o poemario As horas de María, un libro no que o poeta comezou a traballar na súa mocidade e co que gañou en 2006 o Premio de Poesía Johán Carballeira. A través dos versos de Paco Souto imos coñecendo a vida de María, que se inicia no tempo de ir co gando e de aprender a ler no silabario e nas coplas dos cegos. Non faltan as imaxes das lavandeiras enchendo de linguas de xabón o leito do río, tendendo a roupa a clareo e escorrendo de suor até conseguir as máis branquísimas sabas que os ollos podían ver. Non menos gozosa resultaba a celebración do San Xoán, na que se cobre a casa de herbas, se salta o lume e se lava a cara durante varios días con aqueles pétalos de rosas colocados en auga até a primeira luz do día. O ano agrícola avanzaba coa sementeira das fabas e do millo verde, coa seitura da herba ao amencer ou con carros de argazo para as leiras, abríndose os corpos ao amor coa calor do verán. E virá logo a guerra de África con aquelas cartas para o home: "Para que saibas que estamos ben / Os rapaces medran como o liño […] E a ti / Como che vai a guerra? Tápate!". Talvez nada máis luminoso nesa vida de María que a esperanza do 14 de abril de 1931. "Canto durará esta luz?", pregúntase. Castelao en Lira defendendo o Estatuto, o drama da guerra, o fielato, a requisa, o estraperlo, os fuxidos, as cartas atlánticas do exilio… Así até chegar ao conflito entre tradición e modernidade, entre lavar a roupa no río ou na lavadora. María xa de vella alinda a vaca furtivamente nas terras que sempre foran de seu e que o polígono roubou para esa fábrica de matar a froita. Paco Souto escribiu toda a súa obra desde o centro da vida, desde a súa inmensa riqueza como ser humano, desde unha radical autenticidade en todo o que nos expresaba coa súa poesía, e demostra en cada poema, en cada libro, que a poesía é arte e verdade, verdade e beleza. |
NOS_58531 | A través dunha plataforma dixital de recollida de apoios, máis de cincocentas persoas asinaron a petición para que a colección de arte de Nova Galicia Banco sexa declarada Ben de Interese Cultural e trasladada á cidade da Cultura. | A plataforma change acolle a campaña para solicitarlle ao presidente da Xunta que a obra artística de Caixa Galicia e Caixa Nova, tanto das súas entidades financeiras ou das propias fundacións, "sexa declarada Ben de Interese Cultural e trasladada á Cidade da Cultura. Na solicitude recóllese que as entidades financeiras posúen case 6.000 obras de arte, cun valor estimado de 116 millóns de euros, investidos na súa maior parte en obra galega do século XX. "Estas obras perténcenlle ao Pobo Galego, forman parte do noso Patrimonio" di a petición que contempla a posibilidade da venda de NGB a inversores americanos co cal as obras poden marchar lonxe do país "ou ser vendidas a particulares, acabando en lugares insospeitados". "Declaralas Ben de Interese Cultural e trasladadas á Cidade da Cultura de Galicia, alén de rescatar para os galegos esa colección, danlle un contido á Cidade da Cultura, esa construción megalómana que tantos cartos nos custou e á que elle hai que sacar partido" di o convite para sumar sinaturas á proposta que se materializa nunha carta ao propio presidente da Xunta. O arquitecto e urbanista Carlos Henrique Fernández Coto é o promotor da iniciativa que sube xa das cincocentas sinaturas. Arquitecto da Área de Rehabilitación Integral de Rianxo, Fernández Coto presentou, xunto co escultor López Noya, o proxecto dunha pasarela para comunicar o centro de Santiago coa Cidade da Cultura a pé. Xa na Comisión Parlamentaria A petición de declaración BIC da obra artística de NGB púxose de manifesto xa na comisión parlamentaria de investigación das Caixas nas que se manifestou o temor polo destino do patrimonio cultural de Caixa Galicia, adquirido pola propia entidade financeira e non pola Fundación, como no caso de Caixanova. Despois da bancarización, a obra artística de Caixa Galicia queda en mans de Novagalicia Banco e o seu destino depende da decisión que o FROB sobre a súa venda. Os fondos artísticos de Caixa Galicia están compostos por unha das máis importantes coleccións de obra galega, con pezas de relevante valor de Castelao, Laxeiro, Maruja Mallo, Colmeiro, Leopoldo Nóvoa, Tino Grandío, Luís Seoane, Lamazares ou Leiro ademais de unha mostra de arte contemporánea internacional que vai de Picasso, a José P. Croft, Sean Scully, Manolo Millares ou Manolo Valdés. Arredor de 1500 obras de 170 artistas para os que a entidade destinara o edificio inaugurado en 2006 na Coruña no que, canda os nomes que pasaron xa á historia da arte se foron engadindo unha selección da nova creación galega. O director xerente da Obra Social de Novacaixagalicia recoñeceu entón no Parlamento que despois da fusión das caixas, só a colección de arte de Caixanova entrou a depender da entidade, quedando a de Caixa Galicia supeditada ao destino de Novagalicia Banco, a súa propietaria formal. "Córrese o risco de que si o banco se vende iso desapareza" sinalou Pedro Otero. O peor dos horizontes debuxaríase no caso de que un fondo de inversión adquira o capital da entidade financeira e podan atopar na colección de arte un ámbito para a especulación co fin de conseguir importantes fondos. Foi no debate parlamentar cando agromaron diversas fórmulas co fin de que se garanta a permanencia da colección de arte en territorio galego. O que fora director de Acción Social de Caixa Galicia, José Manuel García Iglesias, alertou do prexuízo que para o país tería prescindir da colección de arte da entidade. Co fin de impedilo puxo xa entón sobre a mesa a posibilidade de declarar a colección como Ben de Interese Cultural, e, polo tanto, cun nivel de protección que impediría a súa fuga fóra do país, petición que agora se fai desde a rede. |
NOS_31421 | A causa contra Emilio Lozoya Austin non fixo máis que comezar. A petición de 39 anos de cárcere para o antigo máximo executivo da empresa pública Petróleos de México (Pemex) por ilegalidades na xestión da compañía anuncia novos procedementos xudiciais. As noticias que chegan do país azteca preocupan a Núñez Feixoo e ao seu entorno máis próximo. | A solicitude da Fiscalía Xeral da República de México de 39 anos de prisión contra Emilio Lozoya Austin refírese exclusivamente a súa relación co caso Odebretch. Unha operativa de lavado de diñeiro, trato de favor e asociación para o delito co obxectivo de beneficiar a multinacional brasileira Odebretch de quen, presuntamente, o primeiro directivo da petroleira pública azteca recibiu subornos a cambio de contratos. Porén, fican pendentes de investigación outras operacións formalizadas por Pemex entre 2012 e 2016, entre elas a referida á entrada no capital e compra do estaleiro vigués de Barreras en 2013. As dúbidas sobre esta operación foron denunciadas por diversos responsábeis públicos mexicanos. Sen ir máis lonxe, en xuño de 2019, o presidente do país, Ángel Manuel López Obrador anunciou dentro dunha campaña de "limpeza contra a corrupción" que "estamos a revisar os contratos de empresas que se teñen con estaleiros españois onde non había un trato xusto para Pemex". Na mesma liña, en febreiro de 2020, o xefe da Unidade de Intelixencia Financeira (UIF), Santiago Nieto Castillo sinalou que existían dous casos por xudicializar contra Lozoya Austín relacionados con defraudación fiscal e a adquisición de Barreras. A compra de Barreras por Pemex e a relación dos directivos desta empresa coas autoridades galegas é un tema recorrente na prensa mexicana. Así, por exemplo, un dos xornais con máis circulación do país, El Universal, recolleu na súa edición de 17 de febreiro de 2020 que "os contratos a empresas privadas polos que Lozoya asegura recibiu presión do expresidente Peña Nieto para outorgalos suman arredor de 850 millóns de euros e teñen que ver con plataformas de perforación, a adquisición de Fertinal e os estaleiros en España" "Precisamente por contactos relacionados con este último negocio foi como Lozoya logrou estabelecerse en España", continúa El Universal, quen destacou que "o exdirector de Pemex forxou vínculos e negocios co político Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta da Galiza, e a empresaria Mar Sánchez Sierra, tras a compra dun estaleiro a sobreprezo e mediante presuntos actos de corrupción. Eles protexían a Lozoya na Costa do Sol española, onde chegou a finais do ano pasado tras unha estadía en Rusia". A investigación da xustiza mexicana sobre Pemex é unha das cuestións que preocupa ao Goberno galego. Malia que o presidente da Xunta da Galiza eludiu dar explicacións sobre as súas relacións con Lozoya Austin afirmando que a compra de Barreras non era obxecto de procedemento legal en México, todas as informacións que chegan do país azteca apuntan noutra dirección. Neste sentido, a propia fiscalía mexicana adiantou sobrecustos de aproximadamente 20 millóns nas embarcacións encargadas por Pemex a Barreras. |
NOS_2218 | As denuncias contra a residencia Mi casa continúan. Esta mesma sexta feira as Traballadoras de Residencias da Galiza (Trega) presentaban un novo escrito en Política Social advertindo da grave situación na que se atopan as persoas residentes. A entidade solicita o fechamento cautelar do centro e a reubicación dos residentes. | A asociación Traballadoras de Residencias da Galiza (Trega) volveu denunciar diante da Xunta a situación das persoas usuarias do centro residencial 'Mi Casa' de Pazos de Borbén. A entidade sinala que, segundo os empregados do xeriátrico, a situación "non variou nada en canto ás melloras agardadas" por estes, xa que presupuñan que habería corrección das eivas após as inspeccións realizadas. Fechar o centro A presidenta do colectivo, Sonia Jalda, sinala a Nós Diario que "a situación non pode continuar igual por máis tempo xa que os maiores se atopan nunha situación límite. 17 días despois do noso primeiro escrito a realidade vén sendo a mesma, polo que é hora xa que as autoridades metan man no asunto de verdade". A este respecto, Trega reclama da Xunta da Galiza "o feche cautelar do centro e a reubicación dos residentes", manténdoo clausurado "até que non se garanta a calidade asistencial e a calidade alimentaria". A Xunta abre expediente á residencia de Pazos de Borbén acusada de malos tratos O último escrito de Trega chega após numerosas inspeccións no centro de responsábeis da Consellaría de Sanidade, da Consellaría de Política Social e da Inspección do Ministerio de Traballo. Precisamente a presenza de persoal deste servizo na residencia está a provocar unha reacción moi dura contra as empregadas e empregados por parte da dirección de empresa. Traballadoras Persoal de Mi Casa contactado por Nós Diario certifica "unha actitude moi mala por parte da empresa desde que souberon das denuncias e, sobre todo, desde que comezaron a saír na prensa". A xerencia da residencia, din, "prohíbenos acceder ao centro con teléfonos móbiles, cachéanos ao entrar e saír e tentan impor o terror mediante ameazas de botarnos á rúa. Desde hai uns días estannos metendo presión para que asinemos un escrito defendendo a empresa". A xefa do servizo de Inspección de Maiores, Capacidade e Dependencia da Consellaría de Política Social, Berta Besada, recoñeceu esta sexta feira nun escrito remitido a Vellez Diga —ao que tivo acceso ese xornal— que na residencia 'Mi Casa' "constatáronse incumprimentos en relación co persoal de enfermaría e persoal de cociña". Asemade, sinalou que instaron o centro "para que manteña un estado de limpeza e salubridade óptima e indícalle a obriga de que os menús deben estar supervisados por persoal técnico". A Xunta admite problemas estruturais e na alimentación na residencia expedientada de Pazos de Borbén Política Social Os inspectores de Política Social e Cultura foron os primeiros en acudir ao centro. A primeira visita formalizouse 5 de maio e a segunda 9 de maio. Así, en relación con esta última, fontes de Política Social indicaron a Nós Diario que "os inspectores ordenaron o precinto dos conxeladores da residencia, onde mesmo se atopou comida non axeitada para eles". Ao tempo, advertiron "á enfermeira que acode ao centro que non se pode traballar a un tempo no Sergas e nesta residencia" e sinalaron "á traballadora social a obrigatoriedade de ensinar todas as estancias por ser un centro de traballo". A dirección da residencia 'Mi Casa' rachou onte o seu silencio, lamentando ser "vítimas" dunha serie de informacións "carentes de veracidade". Nesta liña, afirmaron que "a maioría das fotografías publicadas non se corresponden cos nosos residentes, cuxas patoloxías son obxecto de tratamento constante por parte do noso servizo de enfermaría e por parte da nosa médica, que ostenta vínculo laboral, o que garante asistencia médica aos nosos 58 usuarios". Denuncian úlceras e feridas en usuarios dunha residencia financiada pola Xunta As relacións politicas da copropietaria do centro de maiores 'Mi Casa' Lucía Pedroso Ninguén a coñece agora no mundo da dereita e da patronal pontevedresa, á que está ligada desde hai máis dunha década Lucía Pedroso. As persoas consultadas por Nós Diario negan calquera relación con ela e explican as fotos con importantes cargos do Goberno galego como resultado dunha simple coincidencia. Hai quen vai máis alá e preséntaa simplemente "como outra pequena Nicolás", con busca de notoriedade e de subir no ascensor social. Sexa como for, as pegadas dos seus contactos con responsábeis públicos están a vista. |
NOS_5986 | A Lei de Medios aprobada en 2009 en Arxentina pon os grandes grupos mediáticos do país contra o goberno de Cristina Fernández. Clarín e La Nación son amparados pola xustiza que amplía a prórroga da súa entrada en vigor, evitando que os xigantes da comunicación teñan que perder o seu monopolio. Unha manifestación multitudinaria percorrerá as rúas da capital arxentina para exixir o cumprimento da lei e en defensa da democracia. | O goberno liderado por Cristina Fernández volve bater contra os grandes grupos do país. A nova Lei de Medios Audiovisuais fixa un límite máximo para as empresas de comunicación que só poderán abranguer o 35% do mercado arxentino, cun máximo de 24 licenzas. A medida, aprobada en 2009, suporía a perda de poder dos grandes grupos mediáticos do país como Clarín que conseguiron finalmente unha prórroga temporal con que manteren a súa primacía. A Cámara Civil e Comercial Federal arxentina, fallou o pasado día 7 en favor dos grandes media e decidiu ampliar esta inmunidade coincidindo coa data de entrada en vigor da devandita norma. O goberno da República xa anunciou que recorrerá o ditame perante a Corte Suprema. Andrés Fidanza (CTA): "Hoxe unha radio do Clarín di algo e outras 30 reproducen aquilo sen ningunha análise crítica" Neste sentido, o Clarín continuará a detentar 240 licenzas, o que supón o 41% do mercado da radio, o 38% da TV aberta e o 59% do Pago por Visión. Numerosos colectivos sociais, organizacións sindicais e culturais do país participan nunha multitudinaria marcha a prol da liberdade de expresión e da defensa da democracia, exixindo que a Lei de Medios entre en vixencia e rache co monopolio mediático da Arxentina. "A importancia da lei está en dar espazo a outros grupos mediáticos e permitir que máis grupos se expresen" Dous dos obxectivos fundamentais da norma aprobada polo goberno de Cristina Fernández son a "des-monopolización e des-concentración" do espectro radioeléctrico e televisivo, asegura o secretario de Comunicación da CTA, Andrés Fidanza, unha das organizacións que tomou parte na negociación da lei. Segundo o disposto pola medida, o grupo Clarín deberá desfacerse --a través do procedemento de desinvestimento-- de boa parte das súas licenzas a partir do día 7 até situarse no limiar recollido na lei --ao igual que os demais medios de comunicación do país. Porén a Cámara Civil e Comercial, decidiu finalmente alongar a prórroga en favor do medio e permitir que este siga gozando dun tratamento distinto. Numerosos colectivos e organizacións sociais aseguran que o debate se sitúa entre a democracia e as grandes corporacións O presidente da Autoridade Federal de Servizos de Comunicación Audiovisual, Martin Sabbatella, asegurou que considera "vergoñosa" a sentenza e asegurou que estaban totalmente convencidos "da constitucionalidade" dunha lei, dixo, "que aumenta a calidade da democracia". Aliás, Sabbatella denunciou que a "xustiza arxentina" non sexa quen de "enfrontar ás corporacións" pois "grande parte dela está colonizada por eses grupos económicos", sentenciou o presidente da AFSCA. Así mesmo, desde a Federación Internacional de Xornalistas, aseguraron que o grupo mediático "ameazara" a algúns xornalistas se facían pública a súa opinión sobre a norma ou a respeito daqueles "privilexios", asegurou o presidente da Federación, Gustavo Graneros, "que lle foran concedidos durante a ditadura militar e os gobernos neoliberais". Este domingo, a praza de Mayo da capital arxentina acollerá unha concentración convocada por numerosos colectivos sociais, sindicais, culturais e políticos a prol do cumprimento da lei e da liberdade de expresión. |
PRAZA_1941 | "Los nombres de las ciudades los determina la tradición", mantén un responsable de ADIF en resposta a un usuario que reclamou que a compañía pública empregue a toponimia correctamente. | Houbo un tempo non excesivamente remoto no que Renfe e Adif eran, xunto a Correos, dúas das entidades estatais máis respectuosas coas linguas oficiais do Estado diferentes do castelán. Así, por exemplo, boa parte dos rótulos dos trens e estacións veñen estando dispoñibles tamén en galego, algo que adoita suceder na súa megafonía, e nas diversas instalacións, xa sexa dentro ou fóra do país, os topónimos están, polo xeral, reflectidos correctamente. Non foi isto o que lle sucedeu a un ferrolán que lle suxeriu á compañía pública que deixase de utilizar El Ferrol para referirse á cidade de Ferrol. Adif, nesta ocasión, apela a unha suposta "tradición" para facelo, reproducindo literalmente treitos dunha resposta a unha consulta á Fundación del Español Urgente no ano 2009. Na resposta a esa reclamación, feita pública este martes dende A Mesa pola Normalización Lingüística, o responsable do servizo de posvenda de Adif, José María Ordóñez, acusa recibo da reclamación, formulada na madrileña estación de Chamartín, e expón a súa particular teoría a respecto dos topónimos. "Los nombres de las ciudades los determina la tradición", sentencia o responsable de Adif, para a continuación engadir que "su nombre será siendo el que empleen la mayoría de los hablantes, pero en ningún sentido está desaconsejado decir El Ferrol". "Los nombres de las ciudades los determina la tradición", mantén un responsable de ADIF Unha vez obviada a diferenza entre a expresión oral e a escrita e unha vez ignorado, asemade, o único topónimo oficial da cidade departamental, o representante de Adif asegura que a "sugerencia" xa foi remitida ao departamento correspondente. Será ese departamento o que "estude" se a empresa dependente do Ministerio de Fomento debe utilizar ou non a toponimía oficial. A Mesa pregúntase se a empresa pública está apelando á "tradición franquista" A xuízo d'A Mesa esta resposta resulta "curiosa" nunha compañía que, subliña, vén utilizando outras formas deturpadas como Orense ou La Coruña -no caso do topónimo coruñés, na propia resposta a este usuario-. "Adif amosa o seu desprezo non só pola tradición galega, que invalida a favor da establecida no franquismo", cando se instaurou a construción El Ferrol del Caudillo, senón tamén polo "acordo unánime do Concello de Ferrol, que ratificou este nome como única forma válida ao retirarlle a engádega" que homenaxeaba o ditador. Asemade, indica a entidade, supón "un desprezo pola lexislación vixente" en materia toponímica. "Apela sempre ADIF á tradición para incumprir a lei ou só o fai contra Galiza e o Galego? Que criterio empregan para determinar, validar ou invalidar a suposta tradición?", pregúntase o presidente d'A Mesa, Marcos Maceira. Dende o punto de vista da asociación ADIF "toma por parvos os seus usuarios" con argumentos que "constitúen un insulto á intelixencia", toda vez que "un organismo público debe ser o primeiro en cumprir escrupulosamente a legalidade". A Mesa, anuncia, "porá máis unha vez este caso en coñecemento do Valedor do Pobo e da Secretaría Xeral de Política Lingüística". |
NOS_42266 | Xosé Manuel Beiras Torrado retorna aos 76 anos á primeira liña política. Faino a cabalo da Alternativa Galega de Esquerda, a coalición entre Anova --formación que lidera-- e máis Esquerda Unida. Conta co apoio de grupos minoritarios como Espazo Ecosocialista ou Equo. | No programa aseguran que a primeira acción sería "apartar o PP do goberno" e "unir todas as forzas posíbeis". Non descartan ningún acordo caso de chegaren ao Parlamento o 21-O? Pois si, só descartamos acordos co PP, trátase de apartalos do goberno, e para iso, como estamos nunha democracia parlamentaria, aínda que se pretenda camuflar como unhas eleccións presidenciais doutro tipo, o importante é unir as forzas para impedir que o PP siga gobernando. Iso é o prioritario. Que modelo de relación co estado defenderían desde o Pazo do Hórreo? O goberno galego ten que deixar de ser esa especie de goberno de "deputación rexional" en que teñen convertida a autonomía galega e presentar cara dignamente aos ditados do goberno central e á submisión ao fascismo rampante do PP. Defenden a reversión pública das concesións privadas. Non soa sinxelo... Non claro, non é sinxelo, estamos nunha situación grave e de emerxencia nacional. Precisamos políticas decididas, arriscadas. Fan falla tempo e vontade política de facelo. Frear as novas concesións, cambios lexislativos, políticas claras e sostidas... Cando nós dicimos Hai que paralos! un dos sentidos que ten esa frase, que é algo máis que un slogan, hai que inverter os procesos que están a levar Galiza á ruína. En materia de autogoberno cal é a proposta de AGE. Soberanía ou maiores competencias? Non creo que sexa unha dicotomía, hai que exercer a fondo as competencias, as que quedan tras a cesión sistemática que se ven facendo delas polos sucesivos gobernos, reclamar as que se foron, e ao tempo utilizar a cámara e o goberno galego como caixa de resonancia e impulso das aspiracións de soberanía para ser exercida polo pobo galego. A batalla está fóra, na sociedade civil, o pobo ten que ser o protagonista... Como está a acontecer por exemplo en Catalunya, a cidadanía vai por diante das institucións, non ao revés. Demandan o "Control democrático da política monetaria". É de alcance estatal, que medidas poderían adoptar desde o marco autonómico? Desgraciadamente esas políticas -coa venda de soberanía mesmo a "española" que levan facendo os "vendepatrias" dos gobernos centrais, a monetaria, a económica e agora vén a fiscal- hoxe están moi lonxe, nin sequera as estatais. As cousas hai que contemplalas coa perspectiva de estarmos nunha fin de ciclo político, a fin da segunda restauración borbónica saída do franquismo e de que precisamos unha creba democrática cara a novas fórmulas de estruturación dun estado plurinacional e dunha Europa do pobos. Esta "guerra" é impensábel sen unha gran solidariedade internacional, no estado, na Europa e no mundo. Estamos ante tempos novos. |
NOS_18443 | Desde o BNG afirman que o seu obxectivo é "recuperar a unidade de acción do nacionalismo" a través da xeración de espazos de traballo comúns. A vontade amosada pola organización frontista foi parabenizada por Causa Galiza, Nós-UP e CxG | Após unha primeira rolda de contactos encetados polo BNG coas demais forzas soberanistas o nacionalismo galego dá paso a unha nova etapa marcada pola apertura de canles de diálogo estábeis e periódicas. O obxectivo destes encontros, apuntan desde o Bloque é procurar "a normalización das relacións" coas demais forzas nacionalistas e "explorar as posibilidades de colaboración na acción política". Os obxectivos da rolda de encontros iniciada advogan pola "normalización das relacións" entre as organizacións soberanistas e a exploración de posíbeis "colaboracións na acción política" A iniciativa --que toma parte dos acordos adoptados pola organización frontista após a XIV Asemblea nacional-- foi parabenizada polas direccións políticas de Nós-UP, Causa Galiza e Compromiso por Galiza logo de se reuniren nunha primeira xuntanza cunha delegación da executiva do BNG. Desde Causa Galiza, a última das organizacións en se sumar a esta iniciativa, aseguran que o encontro desenvolvido a pasada fin de semana entre ambas as dúas formacións contribuiu a "abrir unha canle de comuniación estábel" e a achegar posicionamentos a prol da superación da grave situación que atinxe a Galiza. Procurar a "unidade de acción" a prol dun proceso de ruptura democrática Neste senso, @s independentistas valoraron "positivamente" que ambas as dúas delegacións partillasen a "reivindicación da soberanía política e a independencia nacionais" como "únicas vías estratéxicas posíbeis" para a superación do actual marco xurídico-político. Desde o Bloque, afirman que só a través dunha "resposta unitaria e en chave galega" se pode superar "a situación actual" polo que saudaron que as formacións coas que até o momento se reuniron partillen coa fronte a urxencia de construír "espazos de xeometría variábel" mais nos que desenvolver "un traballo común". Para o Bloque, os resultados tirados desta primeira rolda de contactos deixan ver "a vontade" do soberanismo a prol da "normalización das relacións" e da "recuperación da unidade de acción" á fin de responder, din, á situación de emerxencia nacional que está a viver Galiza. A canle de comunicación aberta con estes primeiros encontros, din, aséntase na "vontade de manter unha relación fluída" a partir do recoñecemento das "diferenzas" e da "autonomía dos proxectos". |
NOS_31312 | Das tres cidades con alcaldías rupturistas a que tivo un maior grao de respaldo para a fórmula actual -integración nunha marca consolidada sen aparecer as siglas de Podemos- foi Compostela. | En Compostela 89,33 por cento das persoas inscritas votaron a favor da continuidade da fórmula Compostela Aberta, face 10,67 por cento que se pronunciou a prol de Podemos se apresentar en solitario. Na Coruña o apoio ao mantimento da alianza coa Marea Atlántica é levemente inferior: 86,30 por cento face 13,70. En Ferrol o respaldo xa baixa algo máis, 79,86 por cento, face 20,14 das persoas partidarias de o partido morado ir en solitario ás urnas nas locais de 2019. No conxunto do país -e segundo dados disponibilizados polo gabinete de imprensa de Podemos- 86 por cento responderon afirmativamente a pergunta formulada no referendo. Ou sexa, votaron a favor de ir en coligazón con outras forzas rupturistas nos concellos, na maior parte dos casos coa denominación Podemos na papeleta, salvo nos casos en que -como Compostela, A Coruña ou Ferrol- existir xa unha "marca consolidada" (Compostela Aberta, Marea Atlántica ou Ferrol en Común). Nun comunicado, Carmen Santos, secretaria xeral do partido morado, afirma que a cúpula da organización na Galiza traballará en "tecer alianzas de unidade coas forzas irmás e apoiando as alcaldías que xa nos devolveron a dignidade fronte á corrupción do PP". |
NOS_41146 | Na Gala do Libro Galego aparecen como finalistas dous traballos que levan a súa asinatura, un deles a título individual -o ensaio Amada García e os seus arredores, o outro colectivo, o volume Os nomes do Terror, editado por Sermos Galiza. | A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) farán entrega este sábado 19 dos Premios Gala do Libro Galego. Esta terceira edición, que será celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela, inclúe unha nova categoría: divulgación. Dentro desta atópase como finalista a obra colectiva Os nomes do terror: Galiza 1936 (Sermos Galiza), que conta entre os seus colaboradores con Bernardo Máiz. O historiador mugardés é dobremente nominado nestes galardóns polo seu ensaio Amada García e os seus arredores (Edicións Embora). Ambas aportacións teñen a súa base no inxente labor do autor arredor das vítimas do franquismo, en especial aquelas do norte da provincia da Coruña (Eume, Ferrolterra e Ortegal). Un esforzo conxunto co historiador Xosé Manuel Suárez levounos a aumentar dita nómina de persoas mortas a mans do réxime até case rozar as mil. Segundo os seus cálculos, desde 1936 até 1975, o franquismo chegou a cobrar até 985 vidas no territorio. Dacordo a un proxecto aprobado polo pleno municipal de Ferrol e apoiado por outros gobernos locais, os seus nomes serán inscritos nun monumento memorial que será colocado no antigo cemiterio de Canido. Como chegaron a esta actualización da nómina de vítimas do franquismo? No arquivo municipal de Ferrol había un libro enorme de rexistro do cemiterio municipal de Canido, que estivo funcionando até xuño do 1945. O capelán católico anotaba absolutamente todo da xente alí enterrada. De súpeto, descubrimos anotado -que é curioso e raro- o nome da persoa, a casa mortuoria, a causa da morte.. E descubrimos unha serie de persoas pasadas polas armas do ano 1941 ao 1945, que cremos que eran da Mariña republicana. Polo que sabemos, poderían ser mariñeiros republicanos que se entregaron ou foron devoltos polas autoridades francesas. Explícome, a flota española republicana que estaba en Cartagena cando estaba rematando a guerra exiliáronse cos barcos a Túnez. Houbo moitos que ficaron alí, pasaron a formar parte da resistencia francesa... mais, cando o ministro da Marina de Franco foi polos barcos, houbo mariñeiros que aceptaron volver coa promesa de se tiñan un xuízo xusto, e foi así en determinados casos. É sorprendente porque estamos a falar de persoas moi novas, que no 36 teñen 20 anos e no 40 tiñan 2. Aí atopamos un fondo documental curioso e interesante. Como se pode saber que eran mariñeiros republicanos? Habitualmente viñan aquí porque a base dos barcos estaba en Ferrol. Nós, a lista que estamos facendo é unha cuestión que temos prevista, a xente que foi executada ou asasinada na área do antigo partido xudicial de Pontedeume, Ferrol e Ortigueira, todo o norte da provincia da Coruña. Había moita xente de fóra que non era de aquí, mais morreu aquí. O último da lista, por exemplo, era Zorroza, que claramente era un vasco que estaba a facer o servizo militar en Ferrol ou na Marina. Despois hai que ter en conta que, durante a Guerra Civil, era aquí a Ferrol onde traían os barcos republicanos capturados no Cantábrico. Eran xulgados e moitos deles condenados a morte. Finalmente, tamén hai unha porcentaxe importante de guerrilleiros antifranquistas, e de enlaces coa guerrilla. Desgraciadamente, en marzo de 1972 hai outros dous mortos (Daniel Niebla e Amador Rey) e no ano 1975 é o asasinato de Moncho Reboiras. Isto coloca este territorio nun plano moi distinto ao do resto da Galiza. Aínda que sabían disto, esperaban unha cifra de vítimas tan alta? Este é un fondo documental máis, de entre todos cos que xa traballamos, que atopamos Xosé Manuel Suárez máis eu revisando o libro de rexistro de defuntos atopados no cemiterio de Canido. Os dous que estamos a facer isto, que levamos moitos anos no tema, fomos atopando e espigando por aquí e por aló, de xeito que as cifras foron elevándose. Xa sabíamos que o número de mortos a mans do franquismo nesta terra é o máis elevado de Galiza, en números absolutos e relativos. Porén, nunca chegaramos a pensar que rozaría os mil... Isto ven tamén que por un lado había tribunais militares moi duros, e por outro lado porque foi o único lugar da Galiza onde houbo un verdadeiro enfrontamento armado en xullo de 1936. Había mariñeiros e soldados defendendo a República. Entón, claro, a represión sobre eles é enorme. Tamén é un territorio que é pioneiro no movemento obreiro. Por exemplo, das máis de 80 mulleres que o franquismo asasinou na Galiza, unhas 30 son desta área. Iso tamén conta en grao de concentración. Habendo resistencia, hai represión. Dos 22 concellos que temos analizado, desde Miño até O Barqueiro, non hai nin un concello onde non houbera mortos a mans do franquismo. Hai zonas con máis concentración, como o propio Ferrol ou Mugardos, que era onde traían aos tribunais a xente doutros lugares. A idea desta nómina nace en vistas á construción dun memorial, non? Si, os datos dos que dispúñamos chegaban até o ano 1939, e decidimos seguir a procurar máis adiante no tempo. Todo isto ven porque presentamos un proxecto ante o pleno municipal de Ferrol, que foi aprobado en setembro, para ter un memorial coa lista íntegra das vítimas do franquismo. Logo, foi delegado á Mancomunidade de municipios, onde máis concellos se uniron á iniciativa, que tamén vai ser apoiada pola Deputación da Coruña. Tamén habería unha publicación onde se analizarían os datos das vítimas por lugares, sexo, ocupacións… Hai entre quince e vinte estranxeiros, de mexicanos a rusos...que que non vivían aquí, senón que foron xulgados e executados aquí. O monumento memorial sería colocado na parte traseira do cemiterio do Canido. O vello cemiterio foi un lugar onde houbo de 250 a 360 execucións no ano 1936, tantas eran que a veciñanza de Canido pediran que deixaran de matar a xente alí. Todo este traballo foi chave para escribir 'Amada García e os seus arredores'... A relación é directa. É un libro que xunta moita información sobre o tema do que estou a falar, que é a represión nesta zona. Amada García converteuse nun emblema da represión na zona. É un territorio tradicionalmente moi de esquerda, cunha representación feminina moi notable para a escasa representación feminina na política da época. Amada García chega a estar en mítines coa Pasionaria... Iso explica que houbera esta matanza tan grande de mulleres. Á hora de documentarte sobre ela, a meirande parte do traballo sacáchelo de aí? Eu levo publicado moito sobre este tema desde hai moitos anos. Quero dicir, a miña tese de doutoramento era sobre a opresión do franquismo en Galicia. Levo moitísimo publicado sobre represión franquista, aínda que me gusta falar mais de resistencia. Xa está ben de falar de mortos, hai que falar deles pero moitas veces estes mortos morreron defendendo a legalidade republicana. Porén, para escribir, eu crieime con esa historia. Vivo no concello de Mugardos, de onde era ela. A súa era unha historia moi dramática. Penso que o éxito do libro, que leva dúas edicións, foi porque era un tema moi coñecido e polo tratamento que lle din á información, que recollín durante moitos anos. É unha obra que precisou previamente que eu escribise moitísimo sobre o tema antes de escribir sobre isto en concreto. Trátase dun estudo no que analiza non só a biografía da muller senón por que se produciron as circunstancias que se produciron. Isto é, o medio social e cultural no que se criou que desembocou en que esa muller acaba sendo condenada a morte. Esta muller, cando entrou no cárcere en abril de 1937 estaba embarazada, tivo o neno no hospital en outubro de 1937 e foi executada en xaneiro de 1938. Esa historia ten un dramatismo moi grande. Non é que logo a condenaran e despois pariran. Senón que pariu e mes e pico despois.. Eu tiña moita amizade co fillo. Desde entón, todos os 27 de xaneiro reunímonos no castelo de San Felipe, día que foi institucionalizado de tal xeito que ese é o día de recordar as vítimas do franquismo. Cómpre sinalar, pois, que o traballo arredor da súa figura non é de lembranza, porque aínda segue viva na memoria popular? Hai moito mito e dramatismo arredor da vida e morte de Amada García. Para uns era unha pobre muller vítima das circunstancias, que durante o fusilamento empezou a chorar, desesperada... Para outros era unha heroe que incluso arengou os soldados: 'rapaces, non vos preocupedes que a culpa non é vosa'. Forma parte do mito arredor dela: a muller débil e a muller extremadamente forte. A lembranza perdurou e eu crieime con esa historia. Había mesmo a historia de que foi fusilada por bordar unha bandeira, e hai un montón de mulleres na historia de España desta época que se di que morreron por bordar unha bandeira... e ela nin sabía bordar! |
NOS_7537 | Marta Dacosta debuxa o marco no que Xela Arias desenvolveu a súa obra: unha cidade, a de Vigo, na que confluían as protestas obreiras contra a reconversión naval e a música da movida, as ombreiras posmodernas e o punk dunha cultura underground que medraba á sombra do scalextric. A poesía de Xela Arias recollía todas esas suxestións da urbe para compor unha obra poética que rompeu cos moldes da lírica do seu tempo. | da miña cidadenon miñasomentes cadaleito de supervivencia (1) A sí debuxa Vigo Xela Arias neste poema que vería a luz na revista Neboeira publicada na propia cidade pola mocidade do Círculo Ourensán Vigués, durante o ano 1983. "A miña cidade non miña", afirmación contraditoria e diáfana que expresa como é a relación da autora co lugar en que viviu, un espazo do que non consegue apropiarse e acaba por ser como o barco de Manuel Antonio, un cadaleito. Vigo, nos 80 ("neboeira salgada // a electricidade electrizado paxariño // que te oio musicado e vals", di a poeta), era unha pota que non deixaba de ferver. Nos garitos varios e nas casas, construïamos o presente que precisabamos. Visto desde hoxe, semella que de maneira inconsciente, ou non, a necesidade de ruptura co réxime anterior canalizábase nas nosas mans e nas nosas voces, nun impulso creador que non coñecía límites. O tempo da transición e a reconversión naval, as mobilizacións estudantís... a poesía de Rompente, a música de Siniestro total, os concertos, os fanzines... Chamáronlle "A Movida" En Vigo coñeciámonos todas e todos. De vista ou de trato. E Xela e mais eu compartimos tempo, espazo e amizades, aínda que non nos tratásemos até o século seguinte. O tempo da Transición e a reconversión naval, as mobilizacións estudantís... a poesía de Rompente, a música de Siniestro Total, os concertos, os fanzines... Chamáronlle "A Movida". Música, ilustración e poesía respiraban á vez aquela fame de nos expresar, por fin. Katarsis, editada polos irmáns Tizón en Teis, Congostra, da Asociación Cultural "Zeca Fonso", infusionada naquel Rosalinda da rúa Paraguai, Oferenda dos poetas galegos a Palestina, o Festival da Poesía do Condado en que fomos coincidindo poetas de todas as idades entre as décadas dos 80 e os 90, a Festa da palabra silenciada ou, xa no novo século, publicacións como Alma de Beiramar foron algúns deses espazos compartidos. A aqueles fanzines de entón, sen orzamento nin medios, que saían dunha fotocopiadora e ás veces eran rematados á man un por un sobre a mesa dunha casa nun barrio, chamámoslles hoxe contracultura. Entón diciámoslles cutres e usabamos o anglicismo "underground". Mais eran, si, contracultura desde a base, a nosa contestación humilde e ilusionada ás ombreiras e á laca que predominaban entre os lectores de produtos estéticos como Tintimán. No fondo, esta oposición estética era profundamente política: sermos ou non por nós mesmos, recoñecérmonos na identidade propia ou supeditarnos á aprobación centralista que tiña en Alaska, por exemplo, unha das súas medidoras oficiais, ela que dixo de Siniestro que eran uns provincianos. Nesta cidade estendida na beira sur da ría, en que Castrelos e Teis semellan as antípodas dunha distancia inabarcábel, como se aínda se soubesen herdeiras dos antigos concellos que na cidade se fusionaron, a vida sociocultural distribuíase por barrios. O De catro a catro nas Travesas ou o Rosalinda preto de Vía Norte, eran como os núcleos que aglutinaban formas de pensar e manifestarse. Dun lado os poetas dos 80, Cáccamo (X. M. A.), Forcadela, Vilanoba, Fonte e Baixeras, compoñen un faladoiro que integraba o que se denominou Grupo de Vigo, a todos eles acáelles a caracterización que a historia da literatura, desde a visión canónica predominante, fixo desa xeración. Do outro lado, algúns que logo aparecemos na denominada promoción dos 90, como Fran Alonso, e que só publicabamos en revistas. Talvez sexa a obsesión por sistematizar o que fai que unha autora como Xela se sinta orfa, pois non acaba de se recoñecer nos parámetros usados. Mais esa orfandade non é unha excepción. Xela puxo un pé en cada un destes grupos, porén, escribe X. M. A. Cáccamo na súa Memoria de poeta, frecuentaba moi pouco o faladoiro do Catro. Eu non lembro vela no Rosalinda, a tetería con lecturas en que Carlos, Ballesteros e Yuri falaban dos acontecementos mentres servían as mesas. Feitos reais que se nos mostran como o resumo alegórico do sentimento de non pertenza a ningunha xeración que a propia Xela expresou. Mais, importa? O amigo Xosé Manuel Millán dicía que non compartía as divisións xeracionais que triunfaron para explicarmos o último cuarto do século XX, consideraba que a división proposta non daba conta das conexións que el apreciaba entre poetas dunha e doutra década. Talvez sexa a obsesión por sistematizar o que fai que unha autora como Xela se sinta orfa, pois non acaba de se recoñecer nos parámetros usados. Mais esa orfandade non é unha excepción. A ela pertencen outros moitos autores e, sobre todo, autoras. Desde o meu humilde punto de vista, por tentar suxeitar a unha descrición herdeira dunha visión patriarcal que mide a literatura tomando como referencia a produción masculina, aínda predominante numericamente, unha creación que, como no inicio do século XX, é dunha diversidade extraordinaria. E porén, é Xela Arias a voz que dá conta daquel tempo. Ela, coa mesma forza vital dunha egua que sabía que perder pé era unha ambición preciosa, atravesou a cidade e foi quen de recoller nos seus versos aquel latexo nocturno, frustrado e violento que tamén foron os 80. "...somos / dous cabalos catro peixes e un longuísimo amieiro / tecendo debuxos polo vento movido...", di en Denuncia do equilibrio. Recoñécese na natureza animal e vexetal, dise cabalo, peixe ou amieiro e entón eses corpos que son "cabalos desbocados" ocupan a cidade ("cabalos / desbocados / polas praias / da cidade"). Imposíbel non ver mentalmente os cabalos de vento saídos da man do seu amigo Xosé Guillermo ou os cabalos de Oliveira subindo cara ao ceo, nesa homenaxe ás mandas que ocuparon o territorio antes da cidade, como aínda hoxe o Galiñeiro, testemuña granítica que nos garda do vendaval do sur. Os cabalos que na segunda entrega poética da autora atinxirían o título da obra, saltando desde o poema en que "abrasados" son comparados con "cabelos escuadras en rebelión", están moi presentes no seu primeiro libro. Cirlot, a quen a autora cita ao inicio, recolle no seu Dicionario que o cabalo é un símbolo complexo pola multiplicidade de significados: funerario, movemento cíclico da vida, instinto, guerra, entre outros. En Denuncia do equilibrio son "alaranxados", xorden "entre as sombras das miñas paisaxes", expresan o desexo: "o teu pelo maino no teu van acochei ríos-cabalos desbocados-eran cabalos desbocados pola praia" Son "honrados habitantes", no poema "Apátrida", e metonimia da propia voz poética: "... en buenos aires doíanme as crins agallopadasnas albardas" Mais estes alaranxados, honrados e desbocados cabalos compiten no seu segundo libro, atravesado polo espazo nocturno e o léxico bélico, cos escualos que se mostran en toda a súa violencia. Violencia nos versos. Violencia na recepción da obra, incomprendida e deformada. Mais hoxe, a distancia dános outra dimensión. Porque talvez haxa que enmarcar Tigres coma cabalos, na visión desprexuizada das poetas dos 90, unha visión que descolocou o lectorado e a crítica, ao verse diante de textos que exhibían a súa ausencia de pudor e non ocultaban o desexo de nos facer, nosoutras, cun espazo propio en que visibilizarnos: Tigres coma cabalos, A teta sobre o sol, Os teus dedos na miña braga con regra... "...asisto-abraiada e esplendidamente absorta-a esta vosa visita ós restos" Avanzamos pola vida e arrastramos canda nós a marca do tempo e do espazo que nos fixo. A arte dixire as vivencias e converte en ámbar até os nosos segredos máis escuros. Vigo nos 80 é a tatuaxe vital que moitos levaremos para sempre e que en Xela Arias é raíz de dous libros, cando menos, que, ao relelos, nos devolven a intensidade de entón, as rúas, o salitre, o desexo de nos traducir en versos, debuxos, pentagramas. Tras esta relectura necesaria, non coido que a poeta estivese nas marxes ("agora busco que conxugues //ben o verbo dos posibles, // e que ti esquezas esa radio de cousas previas"). Pregúntome se estaba enfocada a nosa visión, porque a poesía que nos deixou, urbana, espida, valente, é a que mellor relata aquel tempo, mentres segue a interpelarnos... "... déixateque te percibas a ti,tamén ti atropelada das palabrasá procura de trazos que nosdescriban." |
NOS_53017 | O presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, avanzou a porcentaxe que se incrementará a factura da luz após a parálise da poxa eléctrica. O novo mecanismo de cálculo será presentado a partir do mes de marzo. | Na súa comparecencia pública para valorar en termos políticos e económicos o 2013 que remata, Mariano Rajoy avanzou que o prezo da luz subirá un 2,3% a partir de xaneiro e durante o primeiro trimestre de 2014. Así o aprobou o seu executivo no Consello de Ministr@s decorrido esta sexta feira. Aliás, asegurou que a súa equipa de goberno está a traballar nunha nova ferramenta de cálculo após a parálise da última subasta eléctrica por mor de "irregularidades" no proceso de fixación de prezos. A nova fórmula será aprobada no segundo trimestre do vindeiro ano. Inicialmente as compañías eléctricas prevían un incremento de máis do 11% no custe final da luz de uso doméstico, mais ao final esta será substancialmente inferior após o clamor popular que denunciou o "roubo" que supuña 'o tarifazo'. |
NOS_34439 | O presidente do comité , José Antonio Zan censura que o Goberno español "nin se pon en contacto" cos traballadores e traballadoras do sector. "Non nos collen o teléfono". | O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, cualifica de "tomadura de pelo" que o Goberno español tampouco aprobase esta sexta feira o estatuto para as empresas electrointensivas, nunha "nova falta máis de cumprimento á súa palabra". "Eu xa non espero nada, somos moi escépticos cara aos cumprimentos deste Goberno", critica Zan, en declaracións a Europa Press, despois de que o Consello de Ministros desta sexta feira - nin tampouco o da pasada terza - dese luz verde a este estatuto que se considera como clave para o futuro de empresas que son grandes consumidores de enerxía como Alcoa. A continuación, Zan censura que o Goberno español "nin se pon en contacto" cos traballadores, "nin sequera iso fan". "Non nos dixeron nada, estivemos a chamar ao Ministerio e non nos colleron o teléfono", reprocha. Esta mesma semana o presidente de Alcoa España trasladou aos empregados que a compañía prevé perdas de máis de 80 millóns de euros en San Cibrao , polo que o comité urxe medidas para evitar o peche. "Teriamos que estar a falar do estatuto, estamos a falar doutro incumprimento, porque a ministra e o secretario de Industria seguen sendo os mesmo", recriminou. E é que o presidente do comité lamenta que "despois dun ano co estatuto no caixón parece que agora teñen que revisalo xuridicamente para que sexa válido". |
NOS_33142 | Tanto o comercio mundial como a alimentación de varios miles de millóns de persoas depende de 14 pescozos de botella críticos. O seu fechamento ou a interrupción do tráfico en calquera deles podería ter consecuencias sistémicas, ademais de condenar a pasar fame a millóns de persoas no mundo. | As disfuncións provocadas pola aparición da Covid-19 primeiro, e o conflito en Ucraína despois, están poñendo ao límite a loxística comercial mundial. A nivel planetario, o sistema de transporte move anualmente millo, trigo, arroz e soia para alimentar 2.800 millóns de persoas. Apenas tres cultivos, millo, trigo e arroz, supoñen 60% da inxestión mundial de alimentos, e, incluíndo estes produtos, até 80% do comercio internacional prodúcese por vía marítima, sinala a Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento, un tráfico que en 2019, o último ano antes da consolidación da pandemia de SARS-CoV-2, superou as 11.000 millóns de toneladas. Ademais dos alimentos en si, tanto para persoas como para animais, esta loxística tamén move as 180 millóns de toneladas de fertilizantes que garanten a produción das terras de cultivo. A suba do prezo das materias primas afoga o rural galego Alén da importancia do transporte marítimo, outras infraestruturas son imprescindíbeis para que a cadea funcione, como o transporte interior nas zonas exportadoras, xerando nas zonas de maior movemento 14 pescozos de botella críticos para o funcionamento do sistema. "É posíbel que unha interrupción grave nun ou máis destes pescozos de botella provoque escaseza de subministracións e picos de prezos", resolve Chatham House, unha entidade británica coñecida tamén como Instituto Real de Asuntos Internacionais, provocando "consecuencias sistémicas que poderían ir más aló dos mercados de alimentos". Nun informe elaborado pola entidade, salienta que a dependencia destes nodos de comunicación está medrando. Os fluxos de comercio estudados na última actualización, en 2020, do reporte The Geography of Transport Systems, apuntan que a proporción de cereais e fertilizantes que pasa por estes puntos continúa medrando. De feito, os pescozos de botella máis importantes en conxunto, os dos Estados Unidos, Brasil e o mar Negro, representan 53% das exportacións mundiais de trigo, arroz, millo e soia. Só desde o mar Negro, afectado directamente polo conflito bélico en Ucraína, sae cada ano a quinta parte do trigo que se consume no planeta.Pero non son únicos lugares críticos, a canle do Panamá e o estreito de Malaca (Malasia, Singapur e Indonesia) son os que moven o maior número de grans, e por este último transitan máis da cuarta parte das exportacións mundiais de soia. Abordar o problema Froito do risco de crise alimentaria que suporía o feche dalgún destes puntos, a entidade británica reclama que a Organización das Nacións Unidas asuma o liderado á hora de garantir a distribución, identificando "corredores críticos de seguridade alimentaria" para, con posterioridade, impulsar "memorandos de entendemento para a protección do comercio de alimentos críticos a través dos pescozos de botella". Amais, advirte de que "o risco de interrupción non é de ningunha maneira unha preocupación só para os países de baixos ingresos", mencionando o Xapón e Corea do Sur. No país insular, arredor do 75% das importación de millo e trigo dependen do paso en Panamá. Asia Occidental e África do Norte, os máis afectados A exposición dos países a unha interrupción grave da subministración depende por unha parte da capacidade de produción alimentaria, e pola outra das alternativas coas que conte ao feche dun destes pescozos de botella, tendo en conta que dos 14 máis relevantes, a inmensa maioría viviu cando menos un feche ou interrupción do tráfico nas últimas dúas décadas. Chatham House alerta que, perante esta situación, Asia Occidental e África do Norte "é a rexión do mundo que máis depende das importacións de alimentos", até un terzo das súas importacións de cereais pasa por un pescozo de botella para o que non existe unha ruta alternativa. A súa alimentación depende das exportacións de cereais por medio dos ferrocarrís e portos rusos e ucraínos, que logo teñen que pasar polos estreitos de Turquía. |
PRAZA_10924 | Xove é o novo deputado de Común da Esquerda en substitución de Flora Miranda. O líder do PSdeG estrearase na sesión de control preguntando a Feijóo polos seus plans de goberno para o que resta de lexislatura | O primeiro pleno do período de sesións do Parlamento comezou este martes coa promesa do cargo de deputado por parte de Xan Xove, novo membro do grupo Común da Esquerda en substitución de Flora Miranda, que renunciou ao cargo o pasado verán tras a ruptura do antigo grupo de En Marea.Xove, traballador social de formación, é traballador de Correos e integrante de diversas bandas musicais e tamén membro activo da Marea Atlántica. Acudiu ao Pazo do Hórreo acompañado polo ex-alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro e membros do propio grupo. O seu obxectivo, afirmou, é contribuír dende o lexislativo a que "acabe a infame época de Feijóo" e facelo "con toda a ilusión" de "achegar un gran de area" a "acadar o novo modelo que necesita urxentisimamente o noso país".O novo parlamentario optou por prometer o cargo "por imperativo legal" e tentou "acatar o Estatuto e a Constitución mentres non sexan estes textos reformados e derrogados, afondando nos seus principios de xustiza social, igualdade e loita por un medio ambiente sustentábel, tal é o desexo da maioría social que me trouxo a este escano". No entanto, o presidente da Cámara, Miguel Santalices, interrompeu a súa intervención e deu inicio ao pleno ao considerar que a promesa do cargo xa fora "feita".Tras a incorporación de Xove a seguinte principal novidade parlamentaria do novo curso político chega este mércores na sesión de control, a primeira na que intervirá o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que tomou posesión da súa acta no remate do anterior período de sesións. O líder socialista cuestionará a Alberto Núñez Feijóo "sobre o plan de acción do Goberno galego para o que queda de lexislatura". |
NOS_42370 | O xefe do Servizo de Información de Toxicolóxica alerta do risco para os nenos e receita "auga e xabón" no canto de "tanto produto químico" | O Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses ( Intcf) recibiu en oito meses un total de 38 consultas procedentes de domicilios, así como de centros escolares e sanitarios da Galiza por intoxicacións por distintas vías -inxesta, inhalación ou contacto cutáneo ou por mucosa ocular- con xeles hidroalcohólicos. Así o reflicten os datos por territorios aos que tivo acceso Europa Press no marco dun estudo que recolle as alertas recibidas até finais de agosto e que reflicte un significativo incremento das intoxicacións accidentais con este xel (de máis do 900%) nos meses analizados de 2020 en relación co ano 2019 e nun contexto marcado polo uso deste produto fronte á covid-19. E é que no conxunto estatal, se en 2019 se detectaron 90 consultas, nos meses analizados deste ano compútanse 874. E o foco do risco está nos nenos e nenas, xa que, do total, case un 67% (585) dos casos deuse en menores -368 deles cunha idade inferior aos dous anos-. A maioría destas intoxicacións déronse de maneira accidental. Máis do 84% foi por vía oral; un 7%, a través da mucosa ocular; case un 3%, por inhalación; e máis dun 2% foron por exposición cutánea. No seu conxunto, máis do 80% das consultas recibidas foron por síntomas de carácter leve que se viron revertidos en pouco tempo, sendo os máis habituais irritación o aparello dixestivo, vómitos, diarrea, tose, irritación ocular, visión borrosa, entre outros. Con todo, tamén se rexistraron casos graves, algúns deles na Galiza. Non en balde, as autoridades sanitarias de Santiago e a súa área alertaban a semana pasada da necesidade de actuar con precaución, sobre todo no caso dos menores, despois de detectar nos últimos días dous casos de nenos que tiveron que recibir atención hospitalaria por unha afectación ocular "grave". Un dos casos é o dun menor de 3 anos do CEIP Vicente Arias da Maza, situado na parroquia lalinense de Vilatuxe. Ante esta situación, o xefe do Servizo de Información de Toxicolóxica, José Luis Coello, destacou, en declaracións a Europa Press, que os usuarios deben ter moi claro "que o xel hidroalcohólico non é auga" e ter "moito coidado" cos nenos. "Auga e xabón no canto de tanto produto químico", receitou. En canto aos efectos dos accidentes, incide na gravidade que pode carrexar unha salpicadura na mucosa ocular dun menor. A recomendación se sucede este tipo de accidente é lavar de inmediato con abundante auga, antes de solicitar asistencia sanitaria se fose preciso. No caso de irritación por vía cutánea, aposta por tentar suavizar o problema aplicando crema hidratante na pel; mentres que se se produce algún tipo de dano ao inhalar, como irritación na larinxe, contribuiría a mellorar a situación inhalar bafos de auga fervida. Para a mucosa dixestiva, unha vía para tentar facer fronte ao dano ocasionado por unha inxestión accidental pode ser tomar auga de inmediato, leite con azucre ou outro tipo de líquidos azucrados, como zumes de froitas. |
NOS_38214 | Os traballadores de Alcoa advertiron de que seguirán loitando "polo futuro da Mariña" e "reclamando todos os dereitos", para o que convocaron unha nova manifestación este domingo perante a Subdelegación do Goberno en Lugo. | Os traballadores de Alcoa advertiron de que seguirán loitando "polo futuro da Mariña" e "reclamando todos os dereitos", para o que convocaron unha nova manifestación este domingo perante a Subdelegación do Goberno en Lugo. Nun vídeo remitido aos medios de comunicación, insistiron en que "non van parar" até poder explicar, ante o Ministerio de Industria, "todo o que lle fixo Alcoa aos traballadores" e "todo o que se incumpriu por parte do Goberno". "Polo futuro da Mariña" "Iremos reclamar os nosos dereitos e a loitar polo futuro da Mariña, que necesita unha fábrica de aluminio primario; fundamental para a transición ecolóxica"; defenderon. No vídeo agradeceron tamén o apoio do BNG e, en concreto, do deputado Néstor Rego. O nacionalista, pola súa banda, defendeu a loita dos traballadores por "salvagardar todos os postos de traballo e manter a actividade" e insistiu en que a solución "pasa pola intervención pública, aínda que sexa temporal". "Non entendemos a actitude do Ministerio de rexeitar a posibilidade de que a planta fose adquirida pola", dixo o deputado Néstor Rego "Non entendemos a actitude do Ministerio de rexeitar a posibilidade de que a planta fose adquirida pola Sociedade Estatal de Participaciós Industriais (SEPI) para logo pasarlla a un operador industrial cun proxecto serio, solvente e de futuro", sinalou Rego. "Imos continuar traballando para que as Administracións públicas con competencias industriais, incluída a Xunta de Galiza, que non se pode pór de perfil ante este problema, actúen de maneira decidida". |
NOS_37203 | Os populares acusan a Pachi Vázquez de eludir tramitar a Lei de Augas cando era conselleiro de Medio Ambiente, malia gastar 150.000 euros na elaboración do texto, para evitar o desgaste político da medida | A lei de augas, unha medida aprobada pola Xunta de Feijóo na lexislatura que vén de rematar, enlea populares e socialistas en plena campaña electoral. Perante as acusacións do candidato do PSOE pola provincia da Coruña, Francisco Caamaño, sobre o impacto deste canon en milleiros de galeg@s, o PP optou por lembrar que tamén os socialistas apoiaban esta medida. Así, o PP sinala que o candidato do PSOE á presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, investiu 150.000 euros na elaboración dun canon de auga cando era conselleiro de Medio Ambiente. E que só o temor ao desgaste da súa aprobación lle fixo aparcar a aprobación do canon. Alén diso, os populares afirman que a proposta de canon que naquela altura manexaba Pachi Vázquez contemplaba a creación de catro novos impostos. E, a maiores, lembra que en territorios gobernados polo PSOE se aplicou este tipo de taxa. Oposición A oposición ao canon de augas que o PP aprobou nesta pasada lexislatura reuniu diferentes colectivos e entidades veciñais e produtivas, para alén de organizacións como o BNG |
PRAZA_11923 | As participacións preferentes coñécense xa en todo o Estado como o novo "curraliño" financeiro. Diversas plataformas de afectados cifran en máis de 1.200 os millóns "secuestrados" pola banca con estes productos que non son accións nin depósitos. A súa rendibilidade depende da conta de resultados de cada entidade. O vencemento fica á vontade da empresa | "Con data 8 de maio de 2007, Caixanova Emisiones, S.A.U. acordou emitir 1.500 participacións preferentes serie B, de 50.000 euros de valor nominal cada unha, sen prima de emisión e garantidas polo Grupo. Ditas participacións terán un carácter perpetuo, no entanto, transcorridos cinco anos desde a data de desembolso, a sociedade poderá amortizar as participacións en calquera momento con autorización previa do Banco de España e do Grupo". Esta frase aparece no Informe de Auditoría de Novacaixagalicia correspondente a 2010. Enunciado que se repite máis veces con outros dous suxeitos: Caixa Galicia Preferentes S.A.U. e Gallego Preferentes S.A. Este produto financeiro, descoñecido para moitos usuarios, é o protagonista dun novo episodio das "fraudes" da banca. Unha historia de malas novas para ata 100.000 galegos, segundo a plataforma Adicae, que comezou no ano 2003 no caso dos impositores de Caixa Galicia e Caixanova. Tendo en conta a cifra de Adicae, que estima en 700.000 persoas as afectadas, vése que non estamos a falar dun problema de elites Pero, que son as participacións preferentes? E por que forman parte do vocabulario de tantos usuarios? A crise financeira que rebentou en 2007 en Estados Unidos converteuse, co tempo, nunha clase maxistral de termos financeiros complexos: credit default swaps (CDS), prima de risco, débeda soberana... Instrumentos ou baremos antes descoñecidos para o chamado gran público, pero que deixou de ser, sen pretendelo, unha xerga só comprensible para os expertos dos números, a banca e os negocios. Só tendo en conta a cifra de Adicae, que estima en 700.000 persoas as afectadas polas participacións preferentes, resulta evidente que non estamos a falar dun problema de elites. Que son? As participacións preferentes son produtos cualificados como "complexos" e, o máis importante, non teñen data de vencemento. Trátase dunha emisión de débeda que coloca, neste caso, unha entidade financeira, e que non ten data de caducidade. Caixas e bancos comercializaron durante anos este tipo de produto, que resultaban moi rendibles nos chamados anos de bonanza económica. Por que? Porque están directamente vinculados aos resultados da empresa que as vende. Isto é, a rendibilidade depende de se hai beneficios ou non os hai. Nalgúns casos, as preferentes ofrecían aos clientes un rendemento próximo ao 7%, moi por riba dos depósitos ordinarios (e garantizados). A rendibilidade depende de se hai beneficios ou non os hai Cómpre diferenciar entre as preferentes (renda fixa) e as imposicións a prazo fixo. Non son o mesmo, para desgraza dos afectados das primeiras. Basicamente porque os depósitos a prazo fixo, as contas de aforro ou as correntes están respaldadas polo Fondo de Garantía de Depósitos (FGD). No caso de impago dunha entidade, o FGD cobre ata 100.000 euros por conta e entidade. A única razón pola cal as preferentes se chaman así é porque, en caso de cobrar, van antes que as accións ordinarias. "Como se está investindo no propio banco, pódese non cobrar intereses se este ten perdas, ou se o banco decide que os beneficios deben ser utilizados para reforzar a súa solvencia e os seus recursos propios", explican desde Adicae. A única vía que permite aos afectados desprenderse destes produtos é que alguén os compre pola totalidade do seu valor En tempos de abundancia, as feiras están concorridas. Nos de seca, os mercados ás veces nin abren. Isto é o que sucedeu coas participacións preferentes. A única vía que permite aos afectados desprenderse destes produtos é que alguén os compre pola totalidade do seu valor. Isto é, que alguén estea disposto a asumir a débeda perpetua coa rendabilidade determinada de cada empresa de crédito (se existe). No chamado mercado secundario antes comercializábanse. Un vendía e outro mercaba, coa garantía única da súa rendibilidade e a esperanza de que a bonanza non ía ser pasaxeira. Pero remataron os tempos da gratitude financeira. Afectados en Galicia As diferentes plataformas sociais de afectados en Galicia por este tipo de produtos (Adicae, Stop Galicia ou Plataforma de Afectados do Morrazo) cifran en ata 100.000 as persoas "atrapadas" nestes contratos a perpetuidade. Segundo as súas estimacións hai "1.200 millóns de euros secuestrados pola banca". A meirande parte deles forman parte da inxente rede de clientes de Novagalicia Banco. |
NOS_42854 | Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego Galego, subliña as carencias nas políticas institucionais e, sobre todo, a falta dun plan de futuro que permita avanzar na construción dun novo modelo máis axeitado ás necesidades da Galiza. | A realidade do rural… sen pediatra público a 50 km e con liñas de alta tensión a 15 metros. Este titular que aparecía estas semanas na prensa é ben indicativo da perda de servizos e do espolio que se está a vivir na Galiza; co fechamento de centros de saúde, con prazas de médicas e médicos que non se cobren, eliminando a maioría das consultas presenciais, coa supresión de unidades educativas, coa desaparición diaria de granxas, coa invasión eólica actual, coa proliferación de proxectos de megaminaría, co monocultivo de eucalipto en máis de 425.000 hectáreas do territorio..., ou coa lacra habitual cada verán de incendios forestais, que nos supoñen un gasto anual en extinción de arredor de 173 millóns de euros. A falta dun proxecto de país da Xunta para a zona rural, polo menos dun que estea concibido conforme ao interese dunha maioría social, é substituído por unha suma de actuacións parciais que responden maioritariamente ao afán de negocio de grandes grupos económicos, o cal non só é unha catástrofe en termos sociais, económicos ou ambientais, senón tamén unha férrea hipoteca para as xeracións futuras. Galiza converteuse nunha especie de sur do norte no que se facilita que as grandes empresas depreden, contaminen e mesmo burlen a lexislación vixente; dificultando o exercicio do dereito da veciñanza a coñecer e defenderse dun proxecto con grandes impactos nas súas vidas, admitindo estudos ambientais con graves deficiencias, realizando continuos cambios lexislativos, que na práctica supoñen acurtar os prazos de tramitación e as garantías. "A falta dun proxecto de país da Xunta para a zona rural é substituído por unha suma de actuacións parciais que responden ao afán de negocio de grandes grupos económicos" A chamada Lei de simplificación administrativa e de reactivación económica aprobada pola Xunta durante o mes de febreiro, por exemplo, contempla a creación da Oficina Business Galicia, con nivel de Subdirección Xeral, que tería como fin primordial acompañar e facilitar a tramitación das chamadas Iniciativas industriais prioritarias e Proxectos industriais estratéxicos. Os Proxectos industriais estratéxicos son os que supoñen, cando menos, o investimento de 20 millóns de euros ou a creación de 100 postos de traballo, e teñen entre os seus múltiples beneficios o recoñecemento da súa prevalencia sobre outras utilidades públicas, a non suxeición a títulos de habilitación urbanística de carácter municipal, a declaración de urxencia ou excepcional interese público, a redución de prazos de tramitación, o carácter supramunicipal ou o acceso a axudas públicas. A maiores, a lei prevé que se consideren favorábeis os informes sectoriais necesarios para a implantación de iniciativas empresariais, mesmo se estes non se emitiron e transcorreu o prazo, ou a posibilidade de finalizar a avaliación ambiental sen pronunciamento ambiental, unicamente coa declaración responsábel ou a comunicación do suxeito promotor, sen que sexa preciso que cumpran o previsto na lexislación vixente. Un modelo eólico ao servizo do oligopolio eléctrico A maiores da grave dificultade de termos a menor superficie agraria útil en comparación coa maioría dos países europeos, arredor dun 20,7% do territorio fronte a medias que superan o 50%, a ofensiva sobre a terra indica que isto pode ir a peor. No caso dos proxectos eólicos, máis alá da ocupación actual dos aeroxeradores, dos voos afectados, das liñas de evacuación e das vías de acceso, hai que engadir as grandes poligonais previstas, que condicionarán calquera emprego futuro dese territorio. Unha moratoria inmediata que impida novas instalacións resulta imprescindíbel diante da invasión eólica, que se está a facer cun marco lexislativo que non garante unha transición enerxética sostíbel, democrática nin xusta, que se fai ao abeiro dun plan que favorece o oligopolio enerxético e que está obsoleto, non contempla nin as dimensións nin as características técnicas dos aeroxeradores actuais. Cunha media de produción eólica na Galiza de 115 kW/km², fronte aos 46kW do Estado español ou os 72kW de Alemaña, tan só tres grupos foráneos (Iberdrola, Acciona e Endesa) controlan practicamente a metade de toda a potencia instalada na Galiza, e empresas como Capital Energy ameazan con instalar tantos novos parques como os construídos nos últimos 15 anos. Unha reforma da Política Agraria Común que discrimina novamente a Galiza A preocupación por unha alimentación saudábel de procedencia local, que se incrementou nos tempos da Covid, e que semella unha necesidade imperiosa ante un escenario de menor dispoñibilidade e encarecemento dos combustíbeis fósiles, debería motivar un cambio radical nas políticas agrícolas e alimentarias, feitas até o de agora a medida do agronegocio, e buscarlles solucións aos problemas das labregas e dos labregos, e do rural: os prezos baixos, unha cadea alimentaria na que a industria e a distribución manteñen unha posición de dominio e moitas veces abusiva, a necesidade de apoiar producións sostíbeis, os circuítos curtos, a compra pública de alimentos locais e ecolóxicos, servizos públicos de calidade no rural, que se protexa a terra agraria ou que se garanta que moitas persoas labregas poidamos producir alimentos saudábeis, cunha renda digna e unha xornada humana. "Unha moratoria que impida novas instalacións resulta imprescindíbel diante da invasión eólica" Malia a todo isto o Ministerio, estes mesmos días, está a anunciar que a reforma da Política Agraria Común (PAC) para o próximo período vai ir na mesma dirección de favorecer os grandes terratenentes e os grandes perceptores. As mensaxes de que ía ser unha PAC máis xusta, máis social e máis ecolóxica están a ser un auténtico engano, pois no fondo séguese a apostar pola desregulación do mercado e da produción, polos prezos baixos en orixe, polas producións industriais e unha intensificación que ten unha relación directa con problemas graves como a degradación do solo, a contaminación do medio ou a perda de biodiversidade, e polo status quo no reparto das axudas, facendo todo o posíbel para garantir os cobros por parte dos grandes perceptores. O criterio de pagamento por superficie, cunha das SAU máis baixas do Estado, fará que Galiza siga discriminada na contía dos pagamentos a persoas profesionais da agricultura e da gandaría, a mulleres, a mocidade ou para os proxectos multifuncionais e con maiores valores ambientais. Queda claro unha vez máis o escaso peso nas negociacións a nivel estatal do modelo de agricultura e gandaría que hai na Galiza, mesmo en sectores como o lácteo, e malia producirmos o 40% de todo o leite do estado. O modelo social de agricultura e gandaría, en perigo O modelo social de agricultura e gandaría galegas, cun peso maioritario de granxas de menos de 25 vacas, por exemplo, na produción de carne, cun modo de produción baseado no aproveitamento de pastos e producións de alta calidade, está seriamente ameazado polos baixos prezos e por políticas que apoian preferentemente proxectos de gran dimensión, a integración cooperativa e outras fórmulas de dependencia crecente respecto ás industrias e mesmo á distribución. Grandes grupos empresariais foráneos dedicados á viticultura acapararon nos últimos anos a maioría das axudas destinadas ao viñedo, están a absorber un gran número de adegas galegas e a promover novas plantacións nas diferentes denominacións de orixe en grandes superficies. Vivimos o desembarco tamén de importantes empresas exportadoras do sur do Estado español, que ocupan grandes extensións de terra para plantacións como as de pequenos froitos (Begonte, Castro, O Arneiro, Palas de Rei…). O mesmo modelo de explotación laboral de persoas temporeiras que vemos nas imaxes da televisión dos campos de amorodos de Huelva chega á Galiza, nun proceso de deslocalización da produción, despois de teren degradado dun modo irreversíbel a terra e acabado cos acuíferos nas zonas de orixe. "Ou avanzamos na loita por un proxecto de futuro para Galiza e para o rural ou camiñaremos cara ao suicidio colectivo como pobo" Malia as voces que alertan da necesidade de apoiar modelos máis sostíbeis ambientalmente, alimentos máis saudábeis e mesmo a relocalización da produción e da distribución de alimentos, a triste realidade é que todo isto semella estar totalmente fóra da axenda do Goberno galego. De continuar esta dinámica, mesmo a recentemente aprobada Lei de recuperación de terra agraria corre o perigo de acabar sendo unha ferramenta para facilitar o desembarco destes proxectos empresarias enormemente problemáticos, facilitándolles o acceso a grandes superficies de terra. Ou avanzamos na loita pola soberanía alimentaria e por un proxecto de futuro para Galiza e para o rural ou camiñaremos irreversibelmente cara ao suicidio colectivo como pobo. |
QUEPASA_578 | O 30 de novembro pola tarde terá lugar no pazo máis antigo de Galicia un novo ciclo de conferencias da man de Carlos José Galbán Malagón e Miguel Ángel Cajigal Vera. | O Concello de Zas, a través da Concellaría de Cultura, continúa coa súa aposta pola divulgación do Patrimonio cunha nova edición das "Monografías do Allo". Nesta ocasión este ciclo de conferencias, de carácter anual e que se celebra por terceiro ano, terá lugar o vindeiro sábado 30 de novembro entre as 16:30 e as 18:30 horas. A Historia e a Historia da Arte serán os temas centrais desta nova edición que nos chegarán da man de dous relatores ben coñecidos. "Dous conceptos, un mesmo uso. As Torres do Allo no seu contexto (S. XIV-XVII)" é o título do relatorio que nos ofrecerá Carlos José Galbán Malagón, Doutor en Historia pola Universitat de Barcelona que centra a súa investigación na Idade Media en Galicia. A súa tese doutoral centrouse na Guerra dos Irmandiños. Miguel Ángel Cajigal Vera, Licenciado en Hª da Arte pola Universidade de Santiago e tamén coñecido polos seus perfís sociais de Twitter e Youtube como "El Barroquista" falará sobre "O barroco e o pasado: intervencións barrocas na arquitectura doutras épocas". Miguel Á. Cajigal alterna a súa faceta investigadora coa de divulgador onde se centra na divulgación artística e histórica. Tamén preside o Comité Científico da Vía Mariana. Esta é unha actividade aberta a toda a veciñanza e a entrada é de balde. |
NOS_49483 | A Deputación pontevedresa financia un traballo realizado pola Organización de Discapacidade Sensorial da Galiza con 30.000 euros | O departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra vén de presentar o acordo de colaboración coa Organización de Discapacidade Sensorial da Galiza (Xoga) para realizar un traballo de investigación que poida recoñecer a lingua de signos galega como unha forma de comunicación oficial do colectivo con diversidade sensorial do país. Na rolda de prensa, a deputada de Lingua, María Ortega destacaba que "no territorio estatal, no ano 2007, recoñecéronse como oficiais as linguas de signos castelá e catalá e isto non aconteceu coa galega pola situación social do momento o que fixo que a comunidade con diversidade sensorial se adaptase a lingua castelá". Resaltando que "esta comunidade ten os mesmos dereitos lingüísticos que todas as galegas, creemos que é urxente e necesario recoñecelos e traballar en prol por iso". Hai 54.000 persoas con diversidade sensorial de toda Galiza Por iso, a Deputación pontevedresa financia con 30.000 euros o traballo de investigación para que se poida recoñecer o galego como lingua oficial de signos. "Mais entendemos que isto que comeza neste departamento debería ser algo que tamén se traslade ao departamento de Política Lingüística da Xunta", apuntaba Ortega. Pola súa banda, a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, destacou o "gran paso" que significa este proxecto. "Este primeiro acordo permitirá estabelecer un primeiro estado de cuestión e avanzar na planificación dos múltiples e variados traballos que quedan por facer", indicaba a presidenta. Desde mediados de xaneiro levan traballando neste proxecto e "agardamos que a finais de 2021 contemos co primeiro informe prospectivo para o recoñecemento da lingua de signos galega", sinalaba Monterde. Segundo expresou a presidenta, os "potenciais beneficiarios deste recoñecemento serán 54.000 persoas con diversidade sensorial de toda Galiza, segundo as estatísticas de Política Social de 2021, pero son moitísimas máis porque non todas teñen o certificado de discapacidade e que a utilizarán outras persoas que teñen outras diversidades e que non utilizan a comunicación verbal". |
NOS_54818 | A organización ecoloxista Adega informa que o proxecto está en fase de avaliación pública polo que Medio Rural podería intervir. | A organización ecoloxista Adega vén de coñecer que se atopa en fase de exposición pública para a súa avaliación ambiental un proxecto de ampliación da granxa de visón americano situada no Monte Xalo, na localidade de Carral. O proxecto, iniciativa da empresa Blomvis Spain, propón duplicar a súa capacidade de produción, pasando das 3.000 femias ás 6.500. Ademais contaría con outros 700 machos para criar uns 32.500 visóns americanos de media ao ano, coa intención de abastecer á industria da peletaría. "Consideramos que a tramitación deste tipo de proxecto está absolutamente fóra de lugar e resulta especialmente temerosa e irresponsábel por parte da Xunta nuns momentos nos que aínda nos atopamos inmersos nunha forte crise sanitaria", sinala Adega nun comunicado. Alertan de que "en pleno estado de alarma e sufrindo as consecuencias dunha pandemia mundial á que este tipo de instalacións poderían contribuír de maneira significativa, como xa constatou a comunidade científica internacional". Focos do virus Desde Adega apuntan que o Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades (ECDC) recoñece o papel que as granxas de visón americano teñen como reserva do virus e focos de alto risco de contaxio, debido a transmisión que se pode dar entre estes animais e as persoas, e viceversa, e á posibilidade de favorecer mutacións derivadas do SARS-CoV-2 e a expansión de novas cepas. Por outra banda, afirman que todas aquelas autorizacións de novas granxas ou ampliacións de explotacións de visón americano que se outorgasen na Galiza a partir de marzo de 2016 poderían estar incorrendo nunha ilegalidade. "A Xunta demostrou indiferenza diante das reiteradas reclamas de Adega e doutras organizacións ecoloxistas a prol do peche destas granxas", denuncian, "e está apostando por favorecer e agravar a crise sanitaria dando curso e alento ás solicitudes desta industria para ampliar as súas instalacións", engaden. Por este motivo exixen que Medio Rural rexeite de plano a tramitación deste e doutros proxectos que soliciten tramitación "na procura dun maior asentamento na Galiza, ademais de decretar dunha vez por todas o feche definitivo de todas as instalacións". |
NOS_48897 | Máis dun cento de traballadores e traballadoras mobilízanse en Compostela para exixir a continuidade da planta de Vestas en Viveiro. | Os traballadores e traballadoras de Vestas en Viveiro néganse a dar a planta por perdida. Se hai uns días era Alejandro Paelo, un dos integrantes do cadro de persoal o que emprendía unha viaxe en bicicleta até Dinamarca, onde a empresa ten a súa sede central, para pedir á dirección que reconsidere o feche, esta terza feira foron máis dun centenar as que percorreron as rúas de Compostela para exixir ante a Xunta unha "solución" fronte ao ERE extintivo proposto pola multinacional danesa. Os traballadores e traballadoras partiron ás 15 horas do centro comercial As Cancelas portando unha pancarta na que se podía ler esa exixencia, 'Vestas Solución', con rumbo ao edificio administrativo de San Caetano. Durante o camiño, corearon cánticos reivindicativos como 'Sen industria, non hai futuro'; 'Queremos traballar e non emigrar' e 'Feixoo non te escondas, queremos que respondas'. Así mesmo, algúns dos operarios portaron reproducións de muíños de vento e cruces coa mensaxe 'Vestas non se fecha'. As manifestantes chegaron ás portas do complexo administrativo coincidindo coa saída de moitos funcionarios e funcionarias que remataban a súa xornada. Alí lanzaron petardos antes de poñer rumbo á sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), onde representantes dos traballadores, Administracións e empresas mantiveron unha xuntanza para tratar de buscar unha saída ao conflito laboral. Apoios políticos Ao inicio do percorrido, os traballadores e traballadoras de Vestas estiveron acompañados pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen lles trasladou o seu apoio ante o que considera un "intento de deslocalizar a produción" dunha fábrica como a de Viveiro que, apuntou, "ten viabilidade". "Non entendemos como en pleno boom eólico depredador na Galicia pódese perder nin un só posto de traballo no sector", criticou Pontón, que instou a Xunta a "que se poña ao choio" para que non se perda un só emprego. A líder do BNG non foi a única representante política que se deixou ver na manifestación. O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, quen tamén exixiu ao Goberno de Feixoo que "deixe de buscar culpábeis e comece a buscar solucións". Na mesma liña, Caballero lembrou que o Executivo galego ten competencia exclusiva en materia industrial polo que requiriu da Xunta un esforzo para esgotar todas as vías para frear un ERE que supón "un duro golpe para toda a comarca da Mariña". Non máis promesas O presidente do comité de empresa de Vestas en Viveiro, David Mariño, antes de entrar á reunión, incidiu precisamente neste punto. Dixo que esperaba que o encontro servise para algo e non se convertese "noutra promesa política". Tamén pedía Vestas "escoitar as ofertas e facilitar a reinserción de todos estes traballadores que se van a quedar sen emprego se definitivamente acaba o período de ERE e se leva adiante". "O importante é non fechar. Necesitamos alternativas e revitalizar a nosa comarca que está a morrer", alertou Mariño. |
NOS_53142 | A prisión franquista de Figueirido incorpórase aos lugares de recuperación da memoria histórica cun acto que o vindeiro domingo día 22 organiza o colectivo A Regaduxa. | A Illa de San Simón, Lavacolla, a Caeira, a Volta dos Nove... o mapa do territorio galego está inzado de espazos que, por vontade maiormente das asocicións de recuperacións, foron incorporándose á xeografía da memoria. O colectivo A Regaduxa (Memoria Histórica de Vilaboa) vai incorporar a que fora prisión franquista de Figueirido a estes espazos nos que a memoria agroma despois de anos de silenciamento. Con este obxectivo, o vindeiro domingo 22 de xuño organizarase un acto no local social de Postemirón (Vilaboa) ás 20 horas no que intervirán a integrante da Regaduxa e veciña de Postemirón, Tareixa Carro, a veciña de Figueirido e filla dunha das mulleres que axudou aos presos, Mercedes Farto e o estudoso da historia da prisión franquista de Figueirido, Xosé Enrique Acuña. En Figueirido estiveron recluídos máis de 1.000 presos, en especial galegos, asturianos e cántabros, obrigados a realizar traballos forzados e en condicións de vida de extrema dureza. Desde a Regaduxa queren render homenaxe "e facer simbolicamente xustiza cos que sufriron prisión neste lugar, cos que o tiveron como corredor da morte antes de seren fusilados en Pontevedra, cos que morreron a consecuencia de enfermidades e da mala alimentación, coas familias que se trasladaron a vivir ás aldeas próximas ao cuartel, e coa veciñanza de Salcedo, Vilaboa, Figueirido, etc. que axudou aos presos a sobrelevar as duras condicións do cárcere". Unha placa da memoria A Regaduxa busca, polo tanto "acabar co silenciamento" da terríbel historia de Figueirido e inicia unha campaña que ten como fin demandar do Ministerio de Defensa a colocación dunha placa no cuartel que recupere a súa memoria como espazo de represión franquista e de lembranza das persoas que estiveron presas por defenderen os seus ideais democráticos. |
NOS_21758 | A firma pontevedresa ten pedidos en curso para a instalación de 40 megavatios solares. | 2019 foi un novo ano de éxitos para a firma pontevedresa EDF Solar. A sociedade, especializada en instalacións de autoconsumo industrial, rematou o ano cun incremento de 60% da súa actividade, o que se traduce en 500 obras executadas cunha potencia total instalada de 28 megavatios (MW). Por se fose pouco, contan xa para este ano con pedidos en curso por máis de 40 MW, o que reflicte o forte crecemento que experimenta esta compañía. Con estes datos, EDF Solar, unha das firmas galegas candidatas a engrosar a lista de cotizadas no Mercado Alternativo Bursátil (MAB), consolida a súa posición como líder no Estado español do mercado de instalacións de enerxía solar fotovoltaica para autoconsumo industrial. Nos seus máis de 11 anos de existencia, EDF Solar leva realizados 1.589 proxectos nos que instalou 346.574 paneis solares, segundo detalla nun vídeo publicado na súa web no que fai balanzo do ano. No mesmo destaca que a compañía conta xa con delegacións en todo o Estado (hai tan só dous anos que comezaron a crecer con forza fóra da Galiza), nas que traballan máis de 120 profesionais ao servizo dos máis de 1.000 clientas con que conta esta firma pontevedresa. Entre os seus desexos para o ano en curso, á parte de seguir mellorando os seus resultados, a compañía que preside Fernando Romero pide estabilidade no sector, a simplificación dos trámites necesarios para poñer en marcha instalacións de autoconsumo de máis de 100 quilovatios (kW), a eliminación das trabas ao autoconsumo no que atinxe ao acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía, ou favorecer e garantir a xeración eléctrica distribuída. Outra das súas peticións é a formación dun Goberno estábel que axilice os mecanismos para unha transición enerxética xusta, un desexo que podería verse cumprido en breve. |
NOS_1168 | Pedro Sánchez e Mohamed VI acordaron unha declaración conxunta na que na que non hai ningunha mención á integridade territorial. | O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o rei Mohamed VI acordaron onte unha declaración conxunta ao termo do seu encontro en Rabat na que se indica o compromiso de realizar unha Reunión de Alto Nivel (RAN) antes de que termine o ano mais sen referencia ningunha á integridade territorial. Pedro Sánchez, a Mohamed VI: "A prosperidade de Marrocos está ligada á do Estado español" O Estado español recoñece "a importancia da cuestión do Sáhara Occidental para Marrocos" e volve reiterar que "a iniciativa de autonomía marroquí, presentada en 2007, como a base máis seria, realista e críbel para resolver este diferendo", como xa expresou Sánchez na súa carta ao monarca, o que permitiu iniciar esta nova etapa na relación. Con todo, en ningún dos puntos aparece mencionada a necesidade de garantir a integridade territorial e a soberanía, un dos puntos mencionados polo Goberno nos seus comunicados nestas dúas últimas semanas e dos argumentos que ofrecera para apoiar a súa nova postura. En todo caso, o presidente do Goberno e o monarca marroquí pactaron que "os temas de interese común serán tratados con espírito de confianza, a través da concertación, sen recorrer a actos unilaterais ou feitos consumados". Apertura de fronteiras Polo que se refire a cuestións máis tanxíbeis, decidiuse o restabelecemento "inmediato e gradual" das conexións marítimas e de pasaxeiros até a apertura de todas as frecuencias así como iniciar os preparativos para a operación 'Paso do Estreito'. Así mesmo, pactaron que a normalización da circulación de persoas e de mercadorías restabelecerase de maneira ordenada, incluíndo os dispositivos apropiados de control aduaneiro e de persoas a nivel terrestre e marítimo. |
NOS_34229 | A Rede Galega de Música ao Vivo presenta a súa programación | A sala Garufa da Coruña acolleu, como unha das 20 asociadas á Rede Galega de Música ao Vivo, a presentación da programación que vai ter lugar até fin de ano neste circuíto que xestiona a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O público terá grazas a el acceso a 254 concertos de 81 proxectos diferentes, 79 deles galegos, que os levarán por 14 localidades galegas. Os datos déronse a coñecer nun acto no que estiveron Jacobo Sutil , o director da Agadic; Alberto Grandío, presidente de Clubtura, e César Morán, de Músicas ao Vivo, ademais de José Vázquez Méndez, xerente da Garufa. A carteleira pretende reflictir os múltiples estilos da música galega, que van desde o pop e o rock, ao blues e o jazz, pasando polo folk, o punk ou a electrónica. Mad Martin Trío, Cachas&Cousins, Eladio y los Seres Queridos, Familia Caamagno, The Lákazans, Astrogirl, Bakin Blues Band, Ghavera, Pepe Vaamonde Grupo, Tiruleque, Aló Django, Ataque Escampe e David Regueiro encabezan a listaxe de bandas programadas en canto ao numero de contratacións. Após un percurso de máis de 10 anos, a Rede Galega de Música ao Vivo continúa reforzando os seus estándares de profesionalidade e especialización, tanto polo tipo de programación que acolle como polas características das súas salas, todas elas de titularidade privada e capacidade reducida.A cifra de contratacións aumenta un 23% en relación á de 2019, contando este ano cun orzamento de preto de 200.000 euros. A Consellaría de Cultura e Turismo asume 90% do investimento, mentres que o 10% restante corresponde aos locais que lle dan forma ao circuíto. Sutil fixo fincapé na incorporación de cinco espazos á rede: Aturuxo (Bueu), Sala Ruído (Ferrol), Sete Flores (Carballiño), Auriense (Ourense) e El Contrabajo (Vigo). A actividade anual de concertos súmase á dos outros tres circuítos de espectáculos que xestiona a Agadic (Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas e Cultura no Camiño). O seu obxectivo común é favorecer a circulación dos espectáculos escénicos e musicais producidos na Galiza, ademais de lle achegar á cidadanía unha oferta cultural ampla, descentralizada, plural e aberta. |
PRAZA_10782 | Eventuais en Loita volve retrucar á Xunta, que insiste en case un 90% de estabilidade entre as traballadoras, e lembra datos "antagónicos" de profesionais, Consello de Contas ou sindicatos. "Publicitan como datos reais cifras terxiversadas e edulcoradas para sacar rédito político", din | As enfermeiras eventuais do Sergas levan desde o pasado mes de maio liderando unha vaga moblizacións intensa e asentada. Desde que os exames de oposición celebrados en Silleda fixeron agromar e consolidar a plataforma Enfermeiras Eventuais en Loita para poñer cifras e rostros á protesta contra a precariedade laboral do colectivo, o conflito entrou no debate político, sobre todo despois de que a Xunta tentase amortecer o impacto das súas denuncias. E agora, doutra volta. As enfermeiras eventuais clamaron polo dereito á conciliación o pasado luns e o Sergas retrucou que a situación era peor hai dez anosNaceu 12 meses, 12 loitas, unha cita mensual coa mobilización das enfermeiras que este 12 de agosto se centrou na reivindicación do dereito á conciliación da vida laboral e persoal, imposible coa concatenación de contratos duns poucos días e a necesaria dispoñibilidade "permanente" para o Sergas, segundo denuncian. A Consellería de Sanidade volveu responder alegando, como noutros conflitos sanitarios, que hai unha década a situación era peor ou achegando datos que son contestados polo colectivo de eventuais con cifras de organismos oficiais e tirados da súa propia experiencia persoal. O Sergas asegurou desta vez que conta na actualidade con "preto de 11.000 profesionais e enfermaría, o que supón 700 máis dos que había no 2008" e que, "ademais, o 88% é persoal estable". O eventual, agrega, é "necesario para reforzar" os cadros de persoal "en momentos de maior carga asistencial ou cubrir as ausencias" do persoal estable, agrega.O Sergas insiste en que o 88% do persoal de enfermaría é estable; Eventuais en Loita lembra que o Consello de Contas cifra a temporalidade entre o 40% e o 28%É a pelexa constante e o argumentario habitual da Administración, que nega a versión dos profesionais. A Xunta insiste na estabilidade maioritaria na enfermaría en contra duns testemuños e datos do persoal que a desmenten. "Os datos que dá Sanidade non se asemellan á realidade vivida polos profesionais", di Eventuais en Loita, que lembra que os presentados hai unhas semanas polo Consello de Contas cifraron a temporalidade "nun 40% en Atención Especializada e nun 28,1% en Atención Primaria", no seu Informe de fiscalización da Conta Xeral do Sergas. "Os datos coinciden co estudo de campo realizado pola organización e que constatan que a temporalidade na enfermería aseméllase máis aos datos ofrecidos polo Consello de Contas que aos do propio Sergas", insisten. Segundo unha enquisa realizada polo colectivo, tan só un 19,2% das profesionais ten unha vacante ou comisión.En todo caso, lembra Eventuais en Loita, ese teórico e suposto 12% de temporalidade do que presume a Xunta estaría "moi afastado ao acordo chegado entre Administración e os sindicatos CESM-O'Mega, CSIF e Satse, que asinaban un Plan de estabilidade do emprego e provisión de prazas de persoal (2017-2018), no que se comprometían a diminuír desde o 8 % actual ata o 5 %, a porcentaxe que segundo eles, representaba ao persoal eventual".Para Eventuais en Loita, a resposta da Xunta a través do comunicado que agora analizan "indica a falta de interese real en solucionar a problemática sufrida polos profesionais e confirma unha vez máis que a Consellería de Sanidade ten como única pretensión publicitar como datos reais unhas cifras terxiversadas e edulcoradas co único obxectivo de sacar rédito político".Eventuais en Loita acusa o Sergas de publicitar como datos reais unhas cifras "terxiversadas e edulcoradas co único obxectivo de sacar rédito político"Ademais, a Xunta tamén preusme de datos sobre o cociente enfermeira-paciente de "4 por cada 1.000 habitantes", cifra superior á media de España. Eventuais en Loita responde asegurando que o problema vén "da orixe dos datos", que son "de elaboración propia e antagónicos aos que presentou hai poucos meses o INE", que "bota por terra os datos da Xunta", situando Galicia como a terceira peor autonomía. "Facemos nosos os datos ofrecidos polo Consello de Contas, INE e organizacións sindicais, que deslexitiman os do Sergas, uns datos cheos de maquillaxe contable e política", insiste o colectivo, que asegura que "non aceptará" ningún dato da Xunta "ata que a Administración cumpra coa súa obriga legal de transparencia e se comprometa a poñer en funcionamento un sistema de rexistro de persoal que permita cuantificar e definir con exactitude e actualizado en tempo real o estado da totalidade do persoal de enfermería do Sergas".Eventuais en Loita tamén retruca o anuncio da Xunta de que ofertou máis de 1.500 prazas en enfermería desde 2013: "Esquécense resaltar que desde o ano 2006 ata o 2015 non houbo convocatoria ningunha de OPE, que no ano 2015 as prazas foron 205 e en 2016, 830, un número máis que insuficiente para as liquidar as necesidades reais do colectivo".En canto ao "contrato de estabilización" do que presume o Sergas e que di que acollerá arredor de 100 enfermeiros, o colectivo destaca que ese tipo de contratación "xa foi ofertado, con nulo éxito, a médicos de familia e pediatras". "A Administración leva moito tempo recorrendo a formas alegais para cubrir ausencias do persoal fixo""A Administración leva moito tempo recorrendo a formas alegais para cubrir ausencias do persoal fixo: non se cobren moitas das incapacidades temporais dos traballadores fixos, refórzanse os persoais das plantas con contratos de acumulación de tarefas tamén usados para cubrir ocos estruturais, impedindo e alongando a súa conversión a vacante". Desde o colectivo de eventuais advírtese de que este novo contrato seguirá "permitindo a contratación fraudulenta" e acabará por "alongar máis a precariedade". Para Eventuais en Loita, o "camiño" é "xerar todas aquelas prazas que se perderon durante a crise e non se cubriron debido á taxa de reposición, aumentar o número de enfermeiras contratadas e coñecer os datos reais da situación dos profesionais para que unha situación como a actual non volva ocorrer". "Volven ofrecer migallas, pero a enfermaría xa está cansa de esperar; o tempo de estar caladas xa finalizou", rematan. |
NOS_53991 | 'Verbo Xido' denuncia que o concello obriga a cortar, sen excepción, aquelas árbores que esten a dous metros dos viais municipais. Árbores autóctonas, como son os carballos, teñen os seus días contados neste municipio pontevedrés. | A Asociación Ecoloxista e Cultural 'Verbo Xido' de Cerdedo denunciou que o alcalde ven de distribuir un novo escrito dirixido á veciñanza no que se volve a insistir, deturpando unha vez máis o sentido da Lei 3/2007 sobre prevención de incendios, na obriga de cortar sen excepción todas aquelas árbores que esten a dous metros do talude dos viais municipais. "A interpretación da Lei por parte do Alcalde é sesgada, xa que nos artigos 22 e 23 así como na Disposición Adicional 3ª, queda claro que se deben respectar as especies autóctonas que, como no caso dos carballos, son especies pirófugas e fan de barreira no caso de incendio", sinalan desde 'Verbo Xido'. A asociación ecoloxista e cultural e os veciños e veciñas consideran sería máis xusto que o Concello asumira os custos da limpeza deses viais Veciñas e veciños de Cerdedo non levaron adiante a abusiva ordenanza municipal, e o Grupo de Goberno agora está a convocar reunións "informativas" que, en realidade, segundo 'Verbo Xido', serven para presionar a poboación. "Ademais", apuntan desde a asociación, que "traballador@s do Concello procederon xa á corta dalgunha madeira (carballos incluídos), amoreándoa no Punto Limpo e comunicando á xente que o custo desta actividade será cargado aos veciños a través do ORAL; mesmo, facendo gala dun autoritarismo trasnoitado, dando a entender que corren perigo de expropiación os terreos lindantes cos viais onde non se corten as árbores". para 'Verbo Xido' esta actuación é unha "alcaldada", xa está a ocasionar discusións e disgustos entre os veciños que, como aconteceu noutros lugares, impediron a tala e presentaron un escrito de protesta no Concello.Diante do perigo inminente que corren numerosas árbores autóctonas de todo o territorio municipal, a asociación ecoloxista e cultural e os veciños e veciñas consideran sería máis xusto que o Concello asumira os custos da limpeza deses viais, tal e como acontece noutros Concellos da zona, pola avanzada idade impropia para traballos físicos de parte d@s afectad@s. 'Verbo Xido' anuncia que está a promover, xunto con outros colectivos sociais de toda Galiza, un acto reivindicativo a prol dunha "verdadeira" prevención dos lumes, a prol da conservación do monte autóctono e contra actuacións agresivas e "depredadoras" coma as que denuncian do alcalde de Cercedo. |
PRAZA_2058 | As diferentes organizacións da esquerda social, veciñal, sindical e política debemos artellar un Programa de mínimos compartido por todos e todas, respectando as nosas diversas identidades e traballando pola superación dun marco socioeconómico no que as relacións sociais supedítanse a poderes económicos por riba dos dereitos sociais e humanos. | Conseguir a unidade cidadá e popular supón disputar a hexemonía e o poder político ao bipartidismo, acabando coa política de austeridade, desemprego, recortes e corrupción. Hai que recuperar, consolidar e ampliar os dereitos e liberdades e iso esixe o esforzo de todos os axentes sociais e políticos. Unidade cidadá e popular? É posíbel e necesaria, respectando sempre a pluralidade da esquerda e o nacionalismo. A esquerda e o nacionalismo galegos son diversos e plurais e por iso faise necesario que as diferentes formacións, sensibilidades, tradicións e culturas políticas da esquerda e o nacionalismo do país definamos as nosas propostas e suscitemos cales son os nosos horizontes, límites e achegas concretas a este debate pola unidade. É certo que algunhas cuestións xa foron postas sobre a mesa por medio dos diferentes manifestos, encontros e reunións levadas adiante pola Marea Galega e a Iniciativa pola Unión, enunciados e propostas presentadas publicamente, aínda que non menos certo que teremos que concretar como artellar esa candidatura galega unitaria, para non situarnos na retórica estéril que busca saír do paso nun escenario de debate e reconfiguración do campo político que pouco aporta a este crucial momento histórico para Galicia e o conxunto das clases populares. Converxer si, pero deixando claro que o obxectivo central debe ser alcanzar un grupo parlamentario galego propio sen dependencias ou submisións a intereses foráneos nin obediencias a centros de decisión alleos a Galicia. Trátase de facerlle fronte ás políticas insolidarias e inxustas dos partidos do sistema (PP-PSOE), preservar o autogoberno de Galicia e suscitar un novo horizonte constituinte que supoña a creba democrática co réxime xurdido da II Restauración borbónica e o impulso dun novo modelo social -antagónico ao actual- que debemos construír se desexamos xustiza social e económica para as maiorías. Estas propostas e afirmacións supoñen romper coa hexemonía cultural das elites políticas e económicas ultraliberais. É evidente que se desexamos andar ese camiño de éxito ningunha organización pode pretender hexemonizar o proceso de conformación desa candidatura galega unitaria. Do mesmo xeito que non debemos obsesionarnos exclusivamente na confrontación electoral. O campo electoral é moi importante, pero máis importante é construír unha alternativa sólida que sirva para mobilizar á sociedade civil, que favoreza a construción de poder popular e que sexa algo sostido no tempo. Estou convencido de que a acción electoral debe estar subordinada sempre á estratexia política, deseñada para alcanzar uns obxectivos programáticos, e nunca ao revés. Debemos, entre todas as partes implicadas e desde todos os sectores en loita, acordar propostas concretas e dotarnos das ferramentas necesarias para poder desenvolvelas. As diferentes organizacións da esquerda social, veciñal, sindical e política debemos artellar un Programa de mínimos compartido por todos e todas, respectando as nosas diversas identidades e traballando pola superación dun marco socioeconómico no que as relacións sociais supedítanse a poderes económicos por riba dos dereitos sociais e humanos. A urxencia de recuperar a nosa soberanía, de disputar a hexemonía e o poder político aos sectores dominantes, ampliando e consolidando as conquistas sociais, esixe o esforzo de todos os axentes sociais e políticos galegos. Un grupo parlamentario galego, que non obedeza a outro que non sexa a cidadanía galega, non é un grupo parlamentario cuxos votos non sirvan para abordar no Congreso modificacións de ámbito estatal cara á ruptura democrática e a apertura dun novo proceso constituinte que desmonte o réxime xurdido trala II Restauración borbónica. Os deputados e deputadas dun futuro grupo parlamentario galego conxugarían a defensa dos intereses propios do pobo galego co apoio decidido e rotundo a propostas e proposicións que se fagan a nivel de Estado para superar este Réxime putrefacto e avanzar cara a un modelo de Estado moi diferente. Unhas propostas concretas sobre as que cimentar ese Programa de mínimos serían a elaboración dun programa de rescate cidadán que atenúe os devastadores efectos das políticas de austeridade e dea saída á urxencia social e o recoñecemento efectivo do Dereito a Decidir dos Pobos. En definitiva, unidade cidadá e popular. Unidade de todas as forzas políticas do nacionalismo e a esquerda rupturista co obxectivo de debuxar entre todas e todos un horizonte xusto e digno para Galicia e o conxunto da maioría social galega. |
QUEPASA_68 | O 8M malpicán empeza en clave de olería. | Nova acción singular arredor do Día da Muller dende Malpica. Ademais dos obradoiros de olería para mulleres, o Concello abre a proposta "Zoquiñas Vermellas", que pretende emular iniciativa dos Zapatos Rojos de Elina Chauvet. A obra da artista mexicana naceu con 33 pares de calzado vermello, da cor do sangue pero tamén do corazón, que expresa esperanza. Unha proposta que abre o debate e a reflexión social acerca da violencia contra as mulleres e a xustiza. Expúxose así en cidades de México, Italia, Arxentina, Chile, Ecuador, España e Reino Unido. Replicarase así a obra de Elina Chauvet, quen di que 'namentres a violencia contra as mulleres non sexa un tema urxente nos espazos lexislativos, Zapatos Rojos continuará indefinidamente, xa que é un símbolo de reflexión'. A idea é combinar a olaría, un dos símbolos de identidade de Buño, cun símbolo de reivindicación a nivel internacional, como o é a obra de Chauvet. Así, un dos elementos vertebradores da sociedade malpicá servirá de 'berro contra a violencia machista'. Novas do 8M O 8M malpicán empeza en clave de olería. |
NOS_52671 | O claustro docente do centro censura a falta de planificación do curso e a situación na que se atopan as instalacións nas que imparten as aulas de música á rapazada da comarca do Barbanza. | "A menos de dous meses para o inicio dun novo curso, descoñecemos se as instalacións van a ser melloradas ou non, non sabemos se imos contar por fin cun especialista para as aulas de iniciación musical, nin sabemos que condicións laborais teremos nos nosos contratos". Con estas palabras, o claustro de mestres do conservatorio municipal Enrique Paisal de Ribeira apela á responsabilidade da Administración local para "arranxar a situación e coidar do bo funcionamento do conservatorio". Conservatorio Profesional de Música Segundo expoñen nun comunicado dirixido aos medios de comunicación, desde a súa constitución como Conservatorio Profesional de Música en 2004 o centro acadou grandes logros no ámbito académico, mais nos últimos anos acusou un enorme desgaste que afecta ás instalacións, ás aulas de iniciación á música e aos contratos do profesorado. Dunha banda denuncian que o edificio no que se localiza o conservatorio "non está pensado para albergar un centro educativo e moito menos un conservatorio". Láianse de humidades "imposíbeis de atallar", mal illamento e nula insonorización que obriga a desenvolver a actividade formativa en condicións "insalubres". Sen iniciación musical Doutra, sinalan a perda "hai tres anos" das aulas de iniciación á música. Un servizo imprescindíbel para o alumnado menor de seis anos cuxa recuperación cualifican de "vital importancia" para a supervivencia do centro e maior beneficio da rapazada. Por último, defenden unha mellora educativa que pasa, din, "por diminuír as ratios nas aulas das materias colectivas, ser coherentes á hora de agrupar instrumentos atendendo a criterios de afinidade musical e non a necesidades horarias e ampliar o currículo formativo que oferta o conservatorio". Falta de horas nos contratos do profesorado Mais para isto, os contratos do profesorado actual deben aumentar as súas horas, e non fiar a ampliación horaria á vocación do persoal docente, que xa vén traballando as horas requiridas "sen retribución nin cotización pertinentes", poñendo por diante do seu propio beneficio "o do alumnado e a súa formación". Por todo isto, incide o claustro, "solicitamos os apoios precisos desde o Concello de Ribeira para poder seguir remando no bo camiño". |
NOS_39645 | Os anuncios do candidato do PP de carga de traballo non convencen os sindicatos. "A situación é complicada e Feijóo fai o de todas as campañas: promesas electorais, sen máis". | Non hai verdadeira campaña electoral até que chegan as promesas e anuncios para o naval galego de Núñez Feijóo. A sentenza, vista en redes sociais, resume cunha carga profunda de ironía o sentir de non poucas persoas ante, máis unha vez, as promesas do candidato do PP en campaña a respecto do naval galego. Porque, ao igual que na de 2012, o naval volveu entrar en campaña de eleccións galegas. Tanto en Vigo, coa entrega do flotel de Pemex, como coas promesas a respecto de Navantia. Feijóo volve xogar a baza do naval ás portas das eleccións, un sector no que se destruíron por volta de 8.000 empregos baixo os gobernos de Núñez Feijóo, como denuncian os sindicatos. "Son publicidade, promesas electorais que fai en campaña", opina Xoán Bouzas Aboi, de CIG-Industria, que lembra que para alén de declaracións e comunicados oficiais a situación real no naval galego é "complicada, difícil". En conversa con Sermos Galiza, Bouzas Aboi lembra que o naval de Vigo continúa coa auga ao pescozo. "Os grandes estaleiros, Barreras e Vulcano, non teñen garantida ningunha carga de traballo. Cando Barreras entregue este flotel, que? Non hai nada! E Vulcano está nun novo ERE, que finaliza en tres meses e como non haxa solución vai para a liquidación da empresa". O secretario nacional de CIG-Industria afirma que as propias empresas do sector séntense "abandonadas" pola Xunta, que non dá "nin apoio financeiro, nin se molestar en facilitar contactos...". Desleixo A respecto das promesas e anuncios de Feijóo para Navantia, Bouzas Aboi lembra que, embora ser aprobada hai anos polo Parlamento Galego unha lei que posibilitaba que a Xunta entrase no consello de administración do estaleiro público, o goberno galego negouse a dar este paso. "Unha boa mostra do seu interese", conclúe Aboi. A respecto do anuncio de que Ibredrola adxudica Navantia un pedido de jackets -estruturas que suxeitan os aeroxeradores no mar- desde a CIG chaman a ser cautelosos: "Imos ver a ónde vai a ganancia, porque en Ferrol vaise facer o corta e pega e o realmente importante, todo o labor de enxeñería que implica e leva, vai facerse nos estaleiros do sur de España". E iso, engade, que en Navantia Ferrol hai tecnoloxía e persoal capacitado para facer esas tarefas. Actuacións Para a CIG, para alén de granatir carga de traballo, un paso que cómpre dar a respecto do naval galego é crear polo Goberno central un fondo de compensación para os traballadores do naval co obxectivo de garantir tanto as prestacións económicas como as perdas sufridas durante os anos 2008/2015, cotizacións á Seguridade Social e revalorizacións das bases de cotización das pensións existentes e futuras, así como a reposición das prestacións e subsidios de desemprego. |
Subsets and Splits
No saved queries yet
Save your SQL queries to embed, download, and access them later. Queries will appear here once saved.