ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
PRAZA_10031 | Os dous profesionais dos medios públicos recolleron o Premio José Couso Liberdade de Prensa en representación de Defende A Galega e lamentan que "mentres se fala do que supostamente pasa en TV3, silénciase que persoal da TVG e da Radio Galega leva un ano de protestas". | Neste 3 de maio, Día Mundial da Liberdade de Prensa, Defende A Galega recibiu o Premio José Couso en Ferrol. Os xornalistas Beatriz Moyano e Carlos Jiménez recollen un galardón que recoñece esta "loita de persoal, sen precedentes, nos medios públicos galegos" e que é organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, cidade onde se levan a cabo os actos. Pouco antes do acto, os dous profesionais atenderon a Praza.gal o día no que se cumpren 50 venres negros de protesta do persoal da CRTVG contra a manipulación e polo cumprimento da Lei de Medios. "Se se mobiliza a sociedade, mudamos as cousas. O Premio Couso dános azos para seguir", advertiu Defende A Galega nas redes sociais, onde denunciou que a dirección da Corporación "volveu censurar" calquera información sobre a entrega do galardón por unha "decisión corporativa", ao igual que na xornada onde se coñeceu o veredito. Que supón este premio para vós, para Defende A Galega?Un impulso forte para seguir pelexando polo que cremos que é xusto. Levamos case un ano cun obxectivo que sabemos que é difícil, o de dignificar os medios públicos, a Radio e a Televisión que teñen que ser de todos os galegos e de todas as as galegas, pero cando chega algo así decátaste de que estás no bo camiño. Recibir este premio dános máis visibilidade para poder chegar a máis xente. Por outra banda, ten o valor engadido de ser un recoñecemento que non sae dun xurado senón das compañeiras e compañeiros de profesión. E por suposto, que poñan o noso nome ao lado do de José Couso, asasinado realizando o traballo de informar, e de todos os premiados que nos precederon, é un motivo de orgullo."En todo este tempo non houbo un só xesto da dirección da CRTVG por achegar posturas; igual alguén debería pensar en botarse a un lado se non é quen de buscar solucións"Será desta vez noticia nos medios públicos a entrega do premio?Despois do que ocorreu cando se anunciou o ditame do xurado, coa censura da información sobre o premio José Couso, que hai que dicir que se deu en todas as anteriores edicións, non temos moitas esperanzas de que se rectifique esa postura. Pero ogallá ocorrese. Para nós non sería unha derrota ou unha humillación de cara á dirección da CRTVG, senón un recoñecemento de que isto é unha noticia, guste ou non guste ao medio, e cando unha noticia ocorre hai que contala.Credes que mudará algo na actitude da dirección tras o galardón?As últimas declaracións do director xeral no Parlamento non parecen ir nese sentido. En todo este tempo non houbo un só xesto por tratar de achegar posturas. Non parece lóxico que non se queira solucionar tan alto nivel de conflitividade. Iso non beneficia a ninguén, pero igual alguén debería pensar en botarse a un lado se non é quen de buscar solucións.Os dous pasastes por unha situación na que fostes expedientados, con forte polémica e co apoio de boa parte dos vosos compañeiros? Sentístesvos represaliados ou castigados?Carlos Jiménez: A palabra clara é represaliados. Expresar en pleno século XXI que os medios públicos están a ser utilizados de xeito partidista custa moi caro. Retomando o seu segundo adxectivo, desgraciadamente, ser valente está castigado hoxe en día. Os dous recibimos as sinaturas persoais de centos de traballadores para a retirada dos nosos expedientes, outros moitos expresaron de xeito persoal e privado o seu apoio, precisamente por medo a ser represaliados. Moita xente se uniu a Defende A Galega no momento en que Tati Moyano foi expedientada. Pero que se arquivasen dous casos seguidos tan inxustos como desproporcinados (con ameaza de despedimento), era unha quimera. A min sanciónaseme cunha falta grave que a instructora establece en "6 días sen emprego e soldo". Porén, a directora de Recursos Humanos sobe a 9 días, tamén sen emprego e soldo. Esta mesma semana presentouse unha demanda nos xulgados para probar se se trata dunha sanción xusta ou se é só un procedemento amedrentador ao que poden estar expostos todos os que denunciamos a situación na CRTVG."O único que conseguiron expedientándonos foi que estivésemos máis unidas, máis fortes e con menos 'medo a loitar'. Fun eu pero puido ser calquera"Beatriz Moyano: Castigo? Represalia?. Foi un desvarío. Un desvarío de proporcións bíblicas que ningún medio de comunicación debería permitirse e polo que ningún traballador ou traballadora debería pasar. Con todo, quedo coa solidariedade e co apoio infinito dos máis dos compañeiros e compañeiras da CRTVG, dos compañeiros da profesión, da familia, dos mellores amigos do mundo e da cidadanía. O único que conseguiron foi que estivésemos máis unidas, máis fortes e con menos "medo a loitar". Fun eu pero puido ser calquera. Ben sabemos que, lamentablemente, eu só fun a primeira."Fálase en moitos medios do que supostamente ocorre en TV3 como se fose de vital importancia para os galegos e silénciase que o persoal da CRTVG leva case un ano de protestas"Como vivides vós as críticas que en moitos medios se fan a outros medios públicos mentres apenas se fala das protestas do persoal da CRTVG?Non parece lóxico. Fálase do que supostamente ocorre en TV3 como se fose de vital importancia para os galegos e en cambio silénciase que as traballadoras e os traballadores da CRTVG levan case un ano de protestas. Nós sabemos que iso se debe a unha cuestión editorial, xa que moitas compañeiras e compañeiros deses medios nos trasladan o seu apoio. A concesión deste premio a Defende A Galega é unha mostra diso.Credes que a sociedade galega está dabondo informadas sobre as vosas reivindicacións?Desde logo que non, pero cada día que pasa chegamos a máis xente. As redes sociais, algúns medios dixitais, e o boca orella axudan a espallar as nosas aspiracións. Tamén resultou importante que puidésemos achegarnos a algúns colectivos que manteñen protestas ou reivindicacións ás que non se lles presta a atención que merecen. Pero por suposto que aspiramos a que se nos coñeza máis e para iso traballamos."Mentres a manipulación non cese, mentres non haxa consellos de informativos... Temos que resistir"Ata cando credes que aguantarán as reivindicacións de non haber resposta nin solucións ás vosas demandas?Mentres a manipulación non cese, mentres non haxa consellos de informativos e carreira profesional, mentres non se recupere a información de proximidade, mentres non se aposte pola información cultural, pola produción propia e mentres non se deteña o desmantelamento, temos que resistir. Un premio coma este serve para coller aínda máis folgos. Quizais a alguén habería que preguntarlle canto tempo van aguantar sen querer poñerlle solución. |
NOS_42753 | Por treitos horarios, o prezo máximo da luz para esta terza feira darase entre as 21 e as 22 horas, mentres que o mínimo foi entre as 4 e as 5 horas. | O prezo medio da electricidade coa tarifa regulada sitúase esta segunda feira nos 279,38 euros o megawatt/hora (euros/MWh) —incluíndo os custos de comercialización, peaxes e outros cargos, isto é, o prezo real sobre a factura—, segundo os datos publicados no día de hoxe por Rede Eléctrica de España. Por treitos horarios, o prezo máximo da luz para esta segunda feira darase entre as 20 e as 21 horas, con 363,15 euros/MWh, mentres que o mínimo, de 208,15 euros/MWh, rexistrouse entre as 3 e as 4 horas. Esta segunda feira o prezo medio do 'pool' —prezo base que negocian as compañías produtoras e comercializadoras de enerxía— é de 200,62 euros/MWh. Deste modo, sobe en perto de 20% a respecto dos 167,06 euros/MWh de media deste domingo, segundo datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). 2021 fechou como o ano máis caro da serie histórica, cun prezo medio de 111,93 euros/MWh debido á espiral alcista rexistrada no 'pool' no segundo semestre. En comparación con hai xusto un ano, o prezo do 'pool' para esta segunda feira será 153,31% superior aos 79,2 euros/MWh do 13 de xuño de 2021. Por outra parte, o prezo medio do mes de maio foi de 187,12 euros/MWh, catro euros menos que o prezo de abril, que foi de 191,52 euros/MWh, e case 100 euros por baixo de marzo, que deixou o rexistro máis elevado da historia (283,3 euros/MWh). |
PRAZA_13250 | O presidente da Xunta promete trasladar a Madrid "como Goberno galego" as propostas consensuadas do sector na Mesa do Leite para mellorar a Lei de Cadea Alimentaria e conseguir rematar coa discriminación dos gandeiros galegos, que seguen a cobrar o importe máis baixo do Estado e de Europa polo seu produto | Os sindicatos agrarios celebran o "compromiso" adquirido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para trasladar "como Goberno galego" ao Executivo central as reivindicacións do sector co obxectivo de mellorar a próxima Lei de Cadea Alimantaria, especialmente no que se refire á formación de prezos. Logo da reunión da Mesa do Leite, presidida polo propio xefe do Executivo galego, os representantes de Unións Agrarias (UUAA), Sindicato Labrego Galego (SLG) e Xóvenes Agricultores (XXAA) acordaron darlle "unha marxe de confianza" á Xunta polo "compromiso" de Feijóo de trasladar as súas reivindicacións ao Estado. No entanto, seguen reclamando "unha actuación política" ante a tardanza dos trámites lexislativos para rematar coa discriminación xa histórica que sofren os gandeiros galegos, que reciben os prezos máis baixos de España e da UE polo seu leite mentres seguen a incrementarse os custos de produción. Os sindicatos celebran o "compromiso" da Xunta e piden unha "actuación política" contra a discriminación dos gandeiros galegos Así o manifestou o secretario xeral de UUAA, Roberto García, que advirte do "momento histórico" que afrontan os gandeiros e que ve esperanzas no "claro compromiso" da Xunta por "priorizar os intereses" dos produtores nos vindeiros trámites legais e "rematar así" coa discriminación do campo galego. Carme Freire, secretaria xeral do SLG, tamén fala de "oportunidade histórica" coa próxima Lei para que "dunha vez por todas" se regule o mercado do leite a nivel estatal, unha reclamación de hai anos xa, e para que se remate "coa extorsión das industrias e das distribuídoras". Ademais da regulación comercial, Freire pide "un prezo xusto que se constrúa de abaixo a arriba". Pola súa banda, Francisco Bello, de XXAA, insistiu no obxectivo de "mellorar a situación de milleiros de explotacións" galegas que reciben un prezo por baixo dos custos de produción e que rolda os 0,30 euros por litro ou incluso menos nalgúns casos. As organizacións ven na Lei de Cadea Alimentaria "unha oportunidade histórica" para "rematar coa extorsión das industrias e das distribuidoras" O responsable da Asociación de Empresas Lácteas, Pedro Ramos, tamén ve neste "un momento importantísimo no sector" pola posibilidade de dispor "dalgúns medios" que poidan "corrixir algunhas dificultades". Ademais, censurou a perda de valor grandísima dos produtos lácteos e do leito por mor de "produtos terminados que chegan de fóra a prezos que non coinciden cos pagados polo leite nos países de orixe". A conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, destacou o "satisfactorio" da xuntanza entre Administración, sindicatos e patronal polo compromiso da Xunta de "defender os intereses" dos gandeiros galegos. "En canto teñamos o borrador da Lei de Cadea Alimentaria a analizaremos co sector para facer propostas consensuadas entre o sector produtor e a industria galega e transmitirllas ao Goberno do Estado", dixo Quintana, que lembra que a Xunta xa está en negociacións con Madrid. A próxima semana haberá outra xuntanza na que se consensuarán as peticións conxuntas que farán chegar ao Executivo central. |
NOS_39860 | Proclamado secretario xeral do seu partido, o eurodeputado cre que a súa formación "vai gañar" as eleccións xerais do próximo ano, nun acto no que estivo presente Martiño Noriega, de Anova. | O maioritariamente proclamado secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, avisou no seu discurso de proclamación que Podemos non é un "experimento político" senón "a resposta da xente" para construír unha alternativa ante un "réxime que se derruba", alternativa que, segundo prognosticou, vai gañar as próximas eleccións xerais no Estado dentro dun ano. "Estamos ante un réxime que se derruba", afirma o madrileño "Pois claro que podemos", asegurou Iglesias este sábado desde o escenario do Teatro Nuevo Apolo, onde decorreu o acto de clausura da asemblea constituínte de Podemos, e desde o que defendeu a necesidade de poñer en marcha un proceso para "abrir o fecho do 78", en referencia á Constitución. "O sorriso está empezando a cambiar de bando. Cando vos insulten, sorride, porque imos gañar", insistiu, á vez que recoñeceu que aínda que os dez meses de vida de Podemos foron difíciles, "as verdadeiras dificultades empezan agora" e cando, segundo o líder da formación, gañen as eleccións estatais o próximo ano. No acto estiveron presentes líderes de diversas formacións de esquerda, entre elas Martiño Noriega, de Anova. |
NOS_18540 | O anuncio da Consellaría de Sanidade e o comité clínico sobre o cambio nas restricións de onte ten puntos que pasan desapercibidos e que poden levar a calquera a un final con sanción sen querer. Por iso, advertimos dalgunhas chaves como a de que os bares só poderán abrir até a 1 da madrugada para dar ceas, non para tomar unhas cervexas ou unhas copas. | A Consellaría de Sanidade deu onte, após a reunión semanal co comité clínico que asesora á Xunta sobre a evolución da pandemia, apuntamentos sobre os concellos con restricións -Lobios é o único baixo fechamento perimetral- e a apertura de toda a hostalaría que sirva ceas até a unha da madrugada. Mais a publicación do acordo no Diario Oficial da Galiza (DOG) deixa á luz a letra pequena que deberás ter en conta (entran en vigor na medianoite deste sábado) se non queres enfrontarte a unha sanción inesperada. Horario de bares e mesóns A Xunta anunciou que poderán ter actividade até a 1 da madrugada pero non poderás estar nun destes estabelecementos tomando unhas copas sen máis. A Administración galega estipula que poderán ampliar o horario "exclusivamente" para dar ceas á clientela. Requisitos para poder atender clientes Ao igual que os restaurantes, neste momento da pandemia, poderán fornecer o servizo de ceas con reserva ou cita previa e instalando un sistema de medición de CO2 que sexa visíbel para todas. "Non se deberá superar no interior as 800 p.p.m. de concentración de CO2. Aliás, as e os empresarios deberán ter un rexistro de comensais a conservar durante un mes. Será máis traballo se es responsábel ou traballador dun local e, no caso de que sexan consumidora, debes fornecer os teus datos. O único que se elimina é a necesidade de presentar o DNI. Capacidade dos locais Quer os restaurantes, quer o resto de negocios que poidan abrir terán as condicións de capacidade marcadas segundo o nivel de alerta no que se atope o municipio en cuestión. mentres que hai localidades que contan Nivel máximo Malia o avance na desescalada, Lobios terá todo fechado. Nivel alto Só se atende no exterior. Están nesta situación Cambados, Vilanova de Arousa, Moraña, Ponte Caldelas, Mos, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Oleiros. Nivel medio-alto O espazo en uso é do 50% no mobiliario que está na rúa e do 30% nas mesas que haxa dentro. Estas medidas afectan a Barbadás, O Barco de Valdeorras, Santiso, Boiro, Rianxo, Padrón, Ordes, Valga, Ames, Carral, Fisterra, Cee, Bueuf, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Cangas, Moaña, Salceda de Caselas, Chantada, Viveiro e Cervo. Nivel baixo ou medio-baixo As hostaleiras teñen permiso para empregar o 75% das terrazas e o 50% do interior. Abrangue todos aqueles concellos non nomeados con anterioridade. Límites nas reunións Con independencia das que rexen na hostalaría (catro ou seis persoas que non vivan xuntas), a Xunta prorrogou a decisión de que nos espazos exteriores só poderán xuntarse seis persoas, sexa nun parque, no campo ou na praia. Nas casas ou no interior de distintos espazos o máximo está en catro persoas. Ademais, os encontros sociais fican prohibidos entre a 1 e as 6 da madrugada en calquera dos dous contextos. Toque de recoller Nos próximos días só terá validez no concello de Lobios, onde hai que permanecer sen saír á rúa entre as 23 e as 6 horas. Fechamento perimetral Ao igual que o toque de recoller, nesta semana só está vixente en Lobios, pois a última reunión de traballo co comité clínico supuxo a saída do nivel máximo de prohibicións doutros tres municipios. |
NOS_33906 | Miranda asumirá o posto ocupado até o de agora por Pernando Barrena, de EH Bildu. | A eurodiputada do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, e a portavoz nacional da formación nacionalista, Ana Pontón, analizaron esta terza feira en rolda de prensa o papel do Bloque nos dous anos que Miranda ocupará asento na Eurocámara. "O escano do BNG en Bruxelas foi a ponte para que os intereses galegos estivesen" Así, a nova eurodeputada sinalou que "o BNG recupera o escano para Galiza. Teremos maior capacidade para decidir en cuestións fundamentais para o noso país e os seus sectores produtivos". "Seguiremos traballando arreo para seguir demostrar que, se o BNG está, a Galiza está", asegurou Miranda. Neste sentido, a representante do Bloque Nacionalista Galego en Europa explicou que a formación nacionalista "terá un escano máis social, feminista e ecoloxista ca nunca", e subliñou que a formación nacionalista "non vén a Europa a defender os 'lobbys' empresariais, senón a defender o pobo galego". Ana Miranda comprométese a seguir sendo "a voz de todo o pobo galego" no Parlamento Europeo Miranda tamén tivo palabras de lembranza para Camilo Nogueira, quen fora europarlamentario entre os anos 1999 e 2004. "Desde 1999, cando o meu querido Camilo Nogueira foi elixido eurodeputado, traballamos para ter voz propia en Europa, porque sabemos que é a única forma para que os intereses da Galiza sexan escoitados", recoñeceu Miranda, para despois concluír dicindo que "é unha honra representar o pobo galego no Parlamento Europeo". Un escano "gañado pola Galiza" Pola súa parte, Ana Pontón sinalou que "hoxe non gana un escano o BNG, gáñao a Galiza". Para a portavoz nacional do Bloque, o escano da formación nacionalista significa "que o noso país vai ter maior peso político. É o escano dos nosos gandeiros e gandeiras. É o escano da pesca. O escano que tentará frear o boom eólico depredador". Ana Miranda denuncia en Bruxelas a exclusión de 'Nós Diario' das axudas da Xunta á prensa Pontón asegurou que o escano de Miranda servirá para "defender os intereses da Galiza", ao tempo que destacou que "o traballo de Ana Miranda xa vén de moitos meses atrás, e hoxe darémoslle un impulso importante". "Estamos ante unha crise de prezos moi importante. Non se poden producir os erros do pasado. O traballo do BNG será tamén para que haxa unha saída xusta desta crise", concluíu Pontón. |
NOS_21174 | Os sindicatos CSIF, STAJ, CCOO, UXT, CIG e ELA, integrantes da mesa de negociación do Ministerio de Xustiza, reclaman ter voz na comisión de coordinación creada para afrontar a crise do coronavirus. Chaman ademais a abrir de forma urxente a negociación colectiva dos plans de reactivación da actividade procesual e da implantación dos sistemas de teletraballo. | As seis forzas sindicais instan a convocatoria da mesa de negociación do Ministerio de Xustiza, na que chaman a estudar, como primeiro asunto, a súa inclusión na comisión de coordinación da situación de crise na mesma situación en que están integrados, ademais do Ministerio de Xustiza e autoridades territoriais con competencias en medios persoais e materiais, o Consello Xeral de Poder Xudicial, a Fiscalía Xeral do Estado e o Consello Xeral da Avogacía. Como salientan, estas organizacións representan "máis de 80% das 55.000 persoas que constitúen o persoal funcionario non xudicial nin fiscal da Administración de Xustiza". As organizacións reivindican o seu coñecemento de primeira man da realidade da Administración de xustiza e apelan ao dereito de participación, información e consulta aos traballadores ,"a base da negociación colectiva", e aluden tamén á "obriga legal de negociar, posto que o dereito fundamental de negociación colectiva non se suspendeu polo estado de alarma". Da mesma maneira, os seis sindicatos demandan ter participación, desde o primeiro momento, no deseño, planificación e implantación en calquera plan de actuación ou de axilización que se pretenda poñer en marcha na Administración de Xustiza, como os plans que xa foron obxecto de anuncio no BOE e abordados nas dúas últimas reunións da Comisión de seguimento, para as xurisdicións social, contencioso-administrativa e os xulgados do mercantil. No mesmo sentido pronúncianse no que ten a ver coa implantación de sistemas de teletraballo ou acceso remoto desde o domicilio, no tocante aos corpos funcionariales de letrados e letradas da Administración de Xustiza, forenses, corpos xerais da Administración de Xustiza e corpos especiais do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses. "O ministro esquece que a súa obriga, mesmo nunha situación como a que padecemos agora, é a de negociar coa representación sindical calquera plan de axilización que pretenda poñer en marcha incluíndo a implantación de sistemas de acceso remoto desde o domicilio para favorecer o teletraballo empezando polas iniciativas ou "boas prácticas" que se están poñendo en marcha, de forma unilateral", censuran. |
PRAZA_13330 | Coa que está caendo no mundo en xeral e no mundo do ciclismo en particular segue habendo insensatos que gastan o carto en patrocinar equipos ciclistas. Pero que venden? Que é Quickstep? Que é Lampre? O blog de ciclismo de Praza Elos e Canelas explícao polo miúdo. | Coa que está caendo no mundo en xeral e no mundo do ciclismo en particular segue habendo insensatos que gastan o carto en patrocinar equipos ciclistas. Pero que venden? Que é Quickstep? Que é Lampre? O blog de ciclismo de Praza Elos e Canelas explícao polo miúdo. Vacansoleil é unha compañía de vacacións en camping. Ten campings ao longo de toda Europa. Bungalós e camping de alto copete. O copatrocinador DCM é unha empresa familiar de fertilizantes de Bélxica, disque é respectuosa co medio ambiente. RadioShack é un cadea estadounidense de electrodomésticos que está por toda América e en partes de Europa. Katusha é da Fundación Russian global cycling project na que participan empresas como Gazprom, Itera (adicada a petróleo) e Rostechnologii. Orica, patrocinador desde abril do Orica-Greendege, é unha compañía química e mineira. O equipo empezou chamándose simplemente Greenedge, nome que representa a un grupo formado por unha chea de empresas adicadas ao mundo da bici, roupa deportiva, Subaru e ata unha bodega australiana. Os cartos saen dun tipo que ten unha empresa que se chama Jayco que fai caravanas e ese tipo de vehículos. Son australianos. Liquigas é unha compañía de reparto de gas a domicilio, e Cannondale é unha empresa adicada a facer bicis e roupa para ciclismo e accesorios. É dos EUA e foi pioneira na introdución do aceiro na fabricación das bicis, a finais dos 90 meteuse no motociclismo e foi tal fiasco que tivo bancarrota, centrouse no ciclismo e capeou o temporal. Obviamente Omega-Pharma é unha empresa farmacéutica e Quickstep é unha empresa italiana adicada á tarima flotante, parquet e chan laminado. Esta é a web do equipo. Todo o mundo sabe que Ag2r-La mondiale é unha empresa de seguros francesa. A Française des Jeux é a compañía de apostas francesa e Big Mat son armacéns de materiais de construción que está en Francia, Bélxica, Chequia, Italia e España. Asócianse con empresas locais. Por exemplo na Coruña están en Moeche, Santiago, Carballo e Noia. A web do equipo é esta. BMC é unha empresa que se adica á fabricación de bicis. Lotto de Lotto-Belisol, é a lotería nacional belga. Belisol é unha empresa que se fabrica portas e ventás de pvc, aluminio e madeira, agora tamén ten unha sección de enerxía sustentable. Lampre é unha empresa de aceiro laminado. A web do equipo é esta marabilla. Astana é un equipo dirixido pola federación de Kazakhstan, disque depende directamente do goberno. Euskaltel é unha empresa de comunicacións. O equipo é unha fundación, chamada Fundación Euskadi, e Euskaltel é o seu patrocinador. Unha boa idea (a de ter unha entidade deportiva que detrás) que deberían seguir todos (non só os de aquí) No Garmin-Barracuda conviven unha famosa marca de navigadores e unha de accesorios para motociclismo Movistar. Esta é a web do Movistar... Un dos máis importantes bancos holandeses, Rabobank, patrocina o equipo ciclista. Sen dúbida a máis feliz nova dos últimos tempos no mundo ciclismo foi a entrada da cadea Sky no clube dos grandes patrocinadores. E para rematar, o equipo da superestrela española, Saxo Bank, que é un banco dinamarqués. |
PRAZA_9506 | A empresa consideraba que Carrera vulnerara o seu dereito á honra e esixiu a retirada dun artigo publicado en La Nueva Crónica. O xulgado nº 6 de Vigo sinala que o texto está amparado pola liberdade de expresión e impón á cementeira o pagamento das custas do proceso | En agosto de 2017 o xornalista Valentín Carrera publicou no seu blog e no xornal La Nueva Crónica un artigo de opinión titulado La verdad sobre la incineradora de Cosmos. moi crítico coa empresa que explota unha mina a ceo aberto en Triacastela, a poucos metros da Cova Eirós, e que tamén impulsou unha incineradora en Toral de los Vados (León).O tribunal conclúe que o artigo está "amparado pola liberdade de expresión"A cementeira demandou a Carrera por unha suposta vulneración do seu dereito á honra e esixiu a retirada do texto, levando a súa reclamación aos tribunais. A pasada semana o Xulgado de 1ª Instancia nº 6 de Vigo desestimou integramente a demanda e condenou a Cosmos a pagar as custas do xuízo. O tribunal conclúe que o artigo está "amparado pola liberdade de expresión" e que o seu contido amosa "a súa opinión e posicionamento persoal, claramente baseado en datos obxectivos e consecuencias de actividades industriais análogas noutras latitudes, como se revela na documentación achegada coa contestación".O Colexio de Xornalistas celebrou este luns a desestimación da demanda, sinalando que "a xudicalización dalgúns asuntos non pode ser a excusa para interferir con dereitos básicos para o exercicio do noso labor profesional, como a liberdade de información ou a liberdade de expresión". O Colexio xa lle advertira a Cementos Cosmos que "o dereito de rectificación é a ferramenta xornalística para responder no mesmo medio e con igual extensión e relevancia gráfica ás supostas ofensas sen necesidade de acudir aos tribunais".O Colexio de Xornalistas celebrou este luns a desestimación da demandaO artigo denunciado facía fincapé en que "a empresa se presenta en sociedade como un mirlo verde e en todas as súas webs apela á sostibilidade e ao seu compromiso co medio ambiente", comparando esta estratexia branqueadora de empresas altamente contaminantes coa que ENCE leva a cabo en Galicia |
NOS_40116 | O 10 de maio de 1972 José Afonso actuaba con Benedito no Burgo das Nacións da capital galega e por primeira vez cantou en público o 'Grândola', dous anos antes da Revolución dos Caraveis. Un acto, con presenza de familiares e achegados dos dous cantores, lembrou esta fin de semana aquel acontecemento. | "A primeira vez que cantei Grândola em público foi na Galiza. A malta estusiasmou-se. Criou-se um efecto de fraternidade muito intenso. Punham-se de pé, cantavam, agitavan os braços… Foi a experiencia mais maravilhosa, algo especial. Talvez ninguem me entendesse como na Galiza". José Afonso lembraba así, nunha entrevista, o que foi aquel 10 de maio de 1972, unha xornada na que actuou no Burgo das Nacións de Santiago de Compostela. 49 anos despois, e no mesmo sitio, que se ben mantén o nome e o ser unha residencia de estudantes pouco ten a ver co que era daquela; lembrouse aquel feito. Fíxoo AJA_Galiza, Associaçom José Afonso, e no mesmo participaron familiares e coñecidos de Zeca e de Benedito, o cantautor galego que fixo aquilo posíbel. Benedicto, unha das caras visibeis de "Voces Ceibes", viaxou en abril de 1972 a Setúbal, en Portugal, para coñecer José Afonso e traba amizade con el, sendo o artífice da estreita relación que o Zeca tivo con Galiza, ao ser convidado por el mesmo a realizar unha xira polo país, segundo lembra AJA. "O própio José Afonso manifestou que por intermédio do Benedito, conheceu na Galiza "uma certa forma de resistência ao franquismo. Uma resistência cultural e política", indican. O domingo, 9 de maio, na véspera do 49 aniversario do histórico concerto, desenvolveuse no Burgo o ato previsto para o 25 de Abril, mais que tivera que ser adiado, "Vozes da Liberdade" AJA informou que ao acto asistiron unha representación da familia de Benedito así como achegados do Zeca procedentes de Portugal. Houbo presenza, ademáis, de concelleiros e concelleiras de Compostrela Aberta e BNG, así como da concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, que lenbrou que aínda existe unha débeda da cidade para con Benedicto. Houbo diversas intervención e actuación musicais, así como a inauguración dun mural "de 13 x 2,5 metros inspirado numha fotografia do concerto de vários cantores no Paço de Bendanha no ano 73, no que José Afonso e Benedicto compartírom cenário e microfone". No mural colocouse unha placa que referencia daquel concerto de 10 de maio de 1972 no Burgo. O acto fechouse co canto do 'Grândola' por parte das persoas asistenets á homenaxe. |
NOS_50579 | O colectivo realizará accións periódicas en todo o país e chama outras organizacións a se sumaren. Denuncian o modelo de empresa que iniciou Amancio Ortega en que "segue a aumentar os seus lucros á costa dese sistema de explotación". | A primeira acción da Plataforma #BoikotInditex realizouse o pasado sábado na Praza de Lugo da Coruña, un dos lugares máis céntricos da cidade e polo que pasan centos de persoas en período de rebaixas. Diante dunha das tendas do Grupo Inditex, propiedade do empresario Amancio Ortega, un grupo de mulleres escenificaron un taller téxtil. "Foi o noso lanzamento, queremos que se sumen máis organizacións e podermos levar a denuncia a outros lugares do país", asegura Rocío Fraga, unha das participantes e membro de Non me pises o freghao. Un dos colectivos que se sumou a esta inicitiva foi Coruña en loita. "A iniciativa partiu do colectivo 15-M de Montealto e nós, pensamos que este tipo de accións é moi últil para concienciar da situacións das traballadoras". No tempo que estiveron diante do comercio moitas persoas mostraron o seu apoio, outras preguntaron para se informaren e non faltou alguén que as increpase. "Iso si, da tenda non saíron nin as dependentas". Algunhas das activistas desta Plataforma traballan no téxtil, mesmo en talleres de Zara, ou coñecen ben o sector. "Os medios de comunicación non tiveron outra que informar das condicións en que se traballa para esta multinacional, mais nós estamos por denunciar que no noso país tamén existen esas prácticas". En #BoikotInditex aseguran que continuarán coa campaña "facendo accións imaxinativas" despois do éxito desta primeira na cidade da Coruña. Imaxes: Flickr de Rizlinha |
NOS_24543 | Vicent Cucarella Tormo (País Valenciano, 1967) é un economista que actualmente exerce como síndic major de comptes da súa comunidade. Especialista en financiamento autonómico, autor de diferentes traballos de referencia, aproveitamos a tradución ao galego da súa Economía por un futuro sustentábel para coñecer as teses centrais do seu traballo e analizar a situación económica actual. | Afirma no seu libro que a crise de 2008 provocou un cambio na percepción social dos economistas. Porén, isto non significou unha mudanza no paradigma dominante dentro da disciplina. Que explicación lle dá a isto? A visión existente antes da crise, cando se pensaba que os economistas dominaban todas as esferas do saber –e eu son economista e, polo tanto, asumo na parte que me toque a responsabilidade de ter contribuído a esa percepción–, desaparece cando chega a crise e a xente comeza a ver as debilidades da economía e a caer na conta de que os fenómenos económicos non son doados de predicir. Porén, a visión estabelecida da economía considerada "ortodoxa" segue a ser a mesma, unha economía moi ligada a unha visión neoliberal, onde o que importa é o mercado e a necesidade dun crecemento permanente. Se ben é obvio que non todos os economistas partillamos esa percepción, tamén é certo que esa economía máis crítica aínda está nas marxes e carece de apoio social. E iso é difícil de mudar porque a visión que se traslada desde os medios de comunicación é que o progreso se mide co PIB e que este debe subir con independencia do que o faga subir. En relación con isto, unha das teses centrais do seu traballo é que estamos diante dun novo escenario social e económico. Cales son os eixos básicos que o determinan? Non nos damos de conta de que estamos chegando ao límite dun sistema que até agora funcionaba máis ou menos ben porque non acadaba as súas fronteiras, pero agora estamos vendo as súas tensións. Durante unhas cantas décadas medramos de xeito continuado e chegamos a pensar que sempre foi así, pero a realidade é que isto é algo moderno e só é posíbel botando man duns recursos moi escasos, particularmente no plano enerxético dos combustíbeis fósiles, mais tamén duns minerais que están no límite de extracción. Cando falamos de que a economía debe seguir medrando, non nos damos de conta que isto non é posíbel. Por exemplo, medrar un 3% anual significa que a produción e o consumo se duplique cada 25 anos. As economías occidentais non poden seguir perseguindo este obxectivo porque o petróleo cru xa superou o seu cénit, o gas estase achegando ao mesmo e os minerais e as terras raras atópanse xa nunha situación límite. Imponse polo tanto deixar de falar de crecemento e defender un mellor reparto do traballo, uns novos criterios de distribución da riqueza ou comezar a consumir moito menos, tamén para traballar moito menos. Agora ben, introducir este debate na sociedade é difícil se non hai detrás unha conciencia xeral nesa dirección, e esta non se crea porque os medios de comunicación e a publicidade seguen bombardeando noutro sentido. Un dos eixos chaves da súa análise é a necesidade dun novo paradigma económico. Sobre que bases debe formularse? O novo paradigma debe respectar o medio ambiente no que se move, polo que non debemos formular alternativas que non sexa sostíbeis, entendido isto como non consumir máis do que o planeta sexa capaz de rexenerar. Desde a década dos 80 até hoxe estamos producindo moito máis do que o planeta pode rexenerar, até o punto de que serían necesarios 1,7 planetas para rexenerar o que consumimos nun ano, e mesmo hai lugares onde esta cifra supera os 5, como Estados Unidos; os 7,5, como Luxemburgo, ou os 2,4 do Estado español. Non podemos, polo tanto, manter unha estrutura social que consome moito máis do que é capaz de rexenerar porque, se non, estamos quitándolles ás sociedades futuras a posibilidade de gozar daquilo que nós temos hoxe. Debemos preguntarnos cal é o xeito de conseguir un planeta sostíbel. Apostando nunha economía que respecte eses límites naturais, o que implicaría consumir e producir moito menos e necesariamente non significaría menos benestar. Se ben é certo que nas etapas iniciais do desenvolvemento dunha sociedade o benestar vai ligado ao crecemento, cando xa temos unhas sociedades como as occidentais, onde xa contamos con practicamente todo, seguir medrando non achega máis benestar. É máis, reducir o consumo iría no camiño de aumentar o benestar, pero isto implica un mellor reparto da renda e unhas actividades máis cooperativas. Non estamos aproveitando a mecanización para ter máis tempo, e isto é debido a que nos estamos equivocando como sociedade, inventándonos unha serie de necesidades ficticias que nos obrigan a seguir tirando do carro. [Podes ler a reportaxe íntegra no número 366 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_31972 | Alega "causas de forza maior" após a paralziación da produción- | A dirección da planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo trasladoullesesta segunda feira aos sindicatos a súa intención de solicitar un ERTE ante a administración "por causa de forza maior", após a paralización de actividade, a pasada semana, debido á crise do coronavirus. Segundo trasladaron fontes do comité, a empresa presentou, nunha reunión do 'petit comité', a memoria xustificativa para comezar o proceso de negociación do Expediente de Regulación Temporal de Emprego. Nun comunicado conxunto, os sindicatos CIG, UXT, CC.OO., e CUT, advertiron de que, aínda que a empresa concretará a súa posición nas próximas horas, esixiránlle que a regulación afecte a todas e todos os traballadores da factoría de Balaídos, uns 7.000 . Así mesmo, entre as esixencias das centrais está que se contemple o cento por cento das pagas extras e vacacións, que a empresa se comprometa a manter aos eventuais "como mínimo dun ano de contrato", que se manteñan os días de convenio individuais para este ano ou que se manteñan os 10 días de 'adecuación de xornada' unha vez que termine a vixencia do ERTE. Os sindicatos tamén reclaman que se asegure o cobro da prima varábel, ou que a empresa adiante os pagos recollidos no ERTE no caso de que haxa atrasos. |
NOS_17945 | O thriller co que Andrés Goteira se estrea como director de longametraxes converteuse este sábado no filme máis premiado da historia dos Mestre Mateo. Dhogs foi vencedor nada menos que en 13 categorías, entre elas a de mellor longa, mellor dirección, mellor guión e mellor montaxe. | Mais os recoñecementos para a obra de Goteira non foron unicamente no que respecta ao labor do cineasta meirense. As mellores interpretacións protagonistas -para Melania Cruz e Iván Marcos- e de reparto -para María Costas e Antonio Durán, Morris- tamén deron en Dhogs. A dirección de produción para Suso López, a de fotografía para Lucía Catoira, a música orixinal de Germán Díaz, a de arte para Noelia Vilaboa e o son de David Machado e Javier Pato completaron os 13 galardóns do filme, que se poderá ver nos cinemas a partir de maio. A presenza feminina entre as nominadas, que este ano experimentou un salto cuantitativo, resolveuse co premio ao mellor documental para A batalla descoñecida, de Paula Cons. A mellor serie web foi para Peter Brandon, dos Porco Bravú, mentres Matria -galardoada en Sundance- venceu no apartado de curtas. The neverending wall levou o galardón á mellor curta de animación. Troubled Times, un videoclip do coruñés Manu Viqueira para os estadounidense Green Day, gañou nesa categoría. E Conserveiras do noso tempo foi considerado polo xurado da Academia Galega do Audiovisual o mellor anuncio comercial. Por cuarto ano consecutivo, Serramoura foi a mellor serie de televisión. O mellor programa recaeu en A Revista Fin de Semana, Nieves Rodríguez, a mellor comunicadora por Vaia Troula! E Dani Viqueira e Veru Rodríguez, mellor realización por Tesouros no faiado. O vestiario de Juana de Vega. Vizcondesa do Arado, obra de Arantxa Domínguez, e a maquillaxe de Os fillos dos sol, por Chicha Blanco e Vicen Beti, pecharon un palmarés que recoñceu o labor dos vigueses Multicines Norte e da carreira da actriz María Bouzas. |
NOS_44252 | O valor das accións das cotizadas galegas dispárase na recta final do ano. | Cando remata o exercicio, as empresas cotizadas experimentan o que se da en chamar o rally de final de ano. E as galegas non son unha excepción. A coruñesa Greenalia, a empresa que levanta en Curtis a que será unha das maiores plantas de biomasa de Europa, con 49 megavatios de potencia instalada, é o máis claro exemplo desta tendencia. Desde o pasado 27 de novembro, os títulos da firma que preside Manuel García revalorizáronse 73,43%, ao pasar dos 7,15 euros nos que cotizaban a esa data aos 11,7 euros nos que fechou a xornada desta cuarta feira. Un caso semellante ao de Inditex. A multinacional téxtil, que declarou uns beneficios de 2.720 millóns de euros nos nove primeiros meses do ano, apuntouse unha suba de 8,85% no que levamos de decembro. Tampouco é pequena o crecemento, máis dilatado no tempo, dos títulos de Euroespes. A firma de biotecnoloxía con sede en Bergondo pasou de cotizar a 0,50 euros por acción a finais de outubro a facelo nos o,70 euros nos que está na actualidade, o que representa 40% máis. O motivo destes crecementos é moi diverso. No caso de Greenalia, a compañía ven de anunciar a conclusión das obras da planta de biomasa de Curtis, a compra dun parque eólico á familia Alonso, propietaria da conserveira Jealsa, e o avance da construción dos seus parques eólicos, que empezarán a producir enerxía a comezos de 2020. No de Inditex, os mercados recibiron con optimismo os bos resultados acadados, por riba das previsións. A firma presidida por Amancio Ortega segue a disparara as súas ventas por todo o mundo, e iso reflíctese na súa cotización. Por último, no caso de Euroespes, os cambios na composición do seu consello como consecuencia da ampliación de capital de novembro do pasado ano, a nova organización e os avances nas súas investigacións biomédicas tamén foron ben acollidas polos mercados. A maioría en positivo Das oito empresas cotizadas galegas, seis están en positivo no que vai de ano. A que máis crece entre xaneiro e o que levamos de decembro é a firma de educación e innovación con sede en Oleiros IFFE Futura, cunha revalorización de 136% após da súa incorporación ao segmento de empresas en expansión do Mercado Alternativo Bursátil (MAB) aproveitando a ficha de Promorent Socimi. A seguinte que máis crecemento acumula é Greenalia, con máis de 60% desde os 7,3 euros por título con que comezou o ano. Inditex, pola súa banda, aumentou o valor das súas accións 34,77% neste período. Crecementos máis modestos tiveron Euroespes (3,7%), a firma de tecnoloxías da educación Netex (2,33%) e Adolfo Domínguez, que non experimentou variación algunha con respecto aos 6,9 euros por título con que comezou o ano. Do lado contrario quedan Commcenter, distribuidor independente de Movistar, que viu caer o valor das súas accións 19,3%, e Altia, a consultora tecnolóxica presidida por Tino Fernández, ex presidente do Deportivo da Coruña, que acumula unha depreciación de 2,65% nos seus títulos, que cotizan en 18,40 euros. Neste último caso, inflúe en gran medida o feito de que máis de 90% das accións estean en mans do propio Tino Fernández, a través da sociedade Boxleo TIC, e do investidor de orixe india Ram Bhavnani, que controla algo máis de 10% a través de varios vehículos de investimento. En Greenalia, o 89,3% dos títulos están en mans do seu presidente, Manuel García. O mesmo sucede en IFFE Futura, onde David Carro posúe 64,71% das accións. Amancio Ortega, con 59,29% de Inditex é o seguinte da listaxe, seguido dos fundadores de Netex, con 48,8% do capital; Moira Capital, que controla 48,49% de Euroespes, firma na que o seu fundador, o doutor Ramón Cacabelos, conserva 12,42%; Commcenter, onde o Grupo Otero ten 39% do capital, e Adolfo Domínguez, que conserva 31,51% na marca que leva o seu nome. Tamaño desigual Pero cando falamos de empresas non podemos medir a todas por igual. Nada ten que ver a multinacional Inditex, con presencia en todo o mundo e o principal valor por capitalización do selectivo IBEX-35, con 93.873 millóns de euros, con Commcenter, a máis pequena das cotizadas galegas, que conta con 6,08 millóns de euros de capitalización. Co seu imparábel crecemento, Greenalia é xa a segunda maior firma galega nos mercados por capitalización, con 248,32 millóns de euros de capitalización, case o dobre que Altia, que no seu día chegou a encabezar o MAB e que acada os 126,56 millóns de euros. Por detrás estaría Adolfo Domínguez, que cotiza no mercado continuo, con 64 millóns de euros, e IFFE Futura, que conta xa con 41,61 millóns de euros de capitalización. Netex (11,7M) e Euroespes (7,55M) son, xunto con Commcenter, as firmas con menos valor en bolsa. O MAB tense convertido na lanzadeira de moitas empresas aos mercados de capitais para obter financiamento para os seus proxectos. No caso das cotizadas galegas, a pontevedresa EDF Solar podería ser a seguinte en sumarse a esta listaxe. |
NOS_49715 | Na primeira semana já foi acadado 23% do objetivo mínimo, com mais de 21.000 euros e 144 pessoas cofinanciadoras. | Na sua primeira semana, a campanha "Mil Primaveras Mais" mostrou a solidariedade com o Projeto Moas, em que a Semente Compostela está a procurar apoio económico entre a cidadania para reformar um novo edifício que reúna o alunado de infantil e primário em Moas. Na primeira semana já foi acadado 23% do objetivo mínimo, com mais de 21.000 euros e 144 pessoas cofinanciadoras. Os apoios chegados desde lugares do planeta como a Amazonia, o Quebec, o Curdistám ou Asturies podem ver-se na canle de YouTube do Projeto Moas. Ao longo dum mês, professorado de escolas de imersom e ativistas em defesa das línguas minorizadas de diversos povos do planeta enviaram o seu apoio à Escola de Ensino Galego Semente, no Projeto Moas: https://gl.goteo.org/project/projeto-moas. Também podem ver-se nesta canle apoios de pessoas conhecidas da cultura galega, como o ator Amador Arias, protagonista do filme O que arde, de Oliver Laxe, a zoqueira Elena Ferro ou o músico Paco Nogueiras, quem ofrece uma das recompensas: um concerto em exclusiva. Outros concertos, como os de Guadi Galego, O Leo de Matamá, Malandrómeda ou, novidade esta semana, Óscar Ibáñez, som ofertados. E outras novidades desta semana som umha ceia no restaurante O Dezaseis, um obradoiro de regueifa, roteiros arqueológicos ou umha jornada de obradoiros e atividades com a Asemblea Cultural Galega de Barcelona (ACGB). Micromecenado O Projeto Moas reuniu em quinze dias mais de 350.000 euros em avais de centos de pessoas que deram o seu apoio económico ao projeto. Depois deste primeiro paso, o Projeto Moas continua procurando ajuda económica através de doaçons e um crowdfunding ou mecenado. A Escola Semente é um projeto autogerido, sem ánimo de lucro e que desenvolve um modelo de imersom e proteçom linguística dentro das aulas e um processo comunitário de socializaçom do galego nos espaços extraescolares. |
NOS_39539 | O xuíz Eloy Velasco vén de ditar auto de procesamento sobre a situación dos detidos Xurxo Oliveira, Diego Santín e Héctor Naia. Prorroga a prisión preventiva para os dous primeiros ao considerar que existe risco de fuga, mais deixa en liberdade baixo fianza o terceiro deles. Nas últimas horas quedou libre tamén Júlio Saiáns, veciño de Ferrol arrestado en outubro nun operativo policial contra o independentismo galego | O xuíz da Audiencia nacional española, Eloy Velasco, viría de ditar o auto de procesamento en que decide sobre a situación procesual dos cidadáns galegos Xurxo Rodríguez Oliveira, Diego Santín Montero e Héctor J. Naia Gil, aliás 'Koala', detidos en Vigo a mediados de setembro no marco dunha operación policial contra o independentismo. O auto chega após unha fase de instrución xa pechada en que a defensa considera que non existen probas suficientes para lles prolongar a situación de prisión preventiva "nin ningún indicio de que tivesen un papel relevante en estrutura ningunha", segundo explica o avogado Borxa Colmenero, que se ocupa da defensa dos tres independentistas. Confima o letrado que "nas últimas semanas" desenvolveron varias accións legais en prol da posta en liberdade dos últimos detidos, derivando de tales accións a saída de Júlio S. do centro penitenciario de Soto del Real após afrontar unha fianza de 6 mil euros. Na súa resolución, Eloy Velasco prolonga a situación de privación de liberdade para Xurxo R.O. e Diego S.M., imputados primeiro e procesados agora en relación cos feitos acontecidos o 4 de agosto no monte Sampaio, en Vigo, onde estouraron tres artefactos explosivos que causaron desperfectos nunha antena dunha emisora de radio española. Polos mesmos feitos tamén fican procesadas outras dúas persoas, A.R.O e N.G.P, a quen Velasco atribúe un delito de encubrimento mais que non ingresaron no cárcere nin foron dispersad@s. Porén, decreta para Héctor N., alías 'Koala', a mesma situación que para Júlio S.: liberdade baixo fianza de 6 mil euros. Di Colmenero que resulta "curioso" que se decrete a liberdade para este detido e se considere que sobre os outros tres existe "un risco fundado de substracción á acción da xustiza", isto é, risco de fuga. "O arraigamento social é un dos condicionantes polos que se entende que non existe risco de fuga, e Héctor é o único que non ten familia", subliña o letrado. Explica Colmenero que das detencións practicadas en Vigo pola policía española a mediados de setembro derivaron dous procedementos. Do primeiro ocúpase o xulgado de Instrución nº6 co xuíz Eloy Velasco á fronte, relacionado co acontecido no monte Sampaio e no cal foron imputados estes tres mozos. Do segundo ocúpase o xulgado de Instrución nº5 --sempre da Audiencia nacional española-- co xuíz Pablo Ruz á fronte, en que tamén está imputado Xurxo R.O xunto con Carlos Calvo por un delito acontecido o día mesmo da detención e relacionado co transporte de material explosivo. Noutro procedemento contra o independentismo galego ficaría imputado Júlio S., relacionado cun delito de financiamento vinculado a un operativo policial despregado en decembro de 2011 en Lugo e Compostela, e que tamén instrúe o xuíz Velasco. |
NOS_20161 | Sermos Galiza estrea esta quinta feita caderno de verán, con reportaxes, entrevistas, narrativa erótica, un relato inédito en entregas de Xabier P. Docampo e nova sección de Xurxo Souto. | Non será un caderno de verán ao uso. Lonxe da frivolidade de certos suplementos ao uso mais tamén dos caderniños conformados a golpe de temas de neveira, segundo explica o seu coordenador, o xornalista Rodri Suárez. O Caderno de Agosto de Sermos Galiza quere por en valor a cultura máis dinámica e popular. Abrimos, nesta ocasión, cunha reportaxe na poñemos o foco na presenza, ou máis ben ausencia, da música en galego nos abondosos festexos do verán, e facemos guía tanto de festivais míticos como de novas iniciativas que poñen en valor a lingua e a creación propia. Un pobo de artistas Moi en relación coa nosa música e cas e cos nosos músicos está a nova sección de Xurxo Souto, "Somos un pobo de artistas", que nesta ocasión recupera historias e anécdotas das nosas bandas en ruta. "Os principais sufridores dos quince mil desleixos da rede viaria galega foron historicamente os músicos, que mesmo crearon un termo para se referir ás festas de difícil acceso: as lomas. Lomas haberá pero o músico sempre chega. O que non está tan claro é cando", expón con humor Souto. Petiscos literarios Será o Caderno de Agosto un suplemento con importante carga literaria. Xabier P. Docampo publica a primeira parte do relato que sairá en cinco entregas no novo suplemento de Sermos. Tamén haberá apartado para o relato erótico. Quen o escribe, que adopta o pseudónimo de Pepe de Pura, caracteriza a serie como traballo de repórter e costumismo sexual. Ambos os dous relatos son ilustrados por Dinamita. Conversas entre a naturalidade e o humor Haberá tamén lugar para as entrevistas, a cargo do xornalista Rodri Suárez, coordenador do suplemento, que tamén asinará unha columna de opinión. Serán conversas caracterizadas pola naturalidade e o humor. Nesta primeira, a poeta Lucía Aldao confesa as súas paixóns festeiras. A contracapa descubriranos o valor emocional que certos lugares teñen para persoas que nos son coñecidas. Nesta ocasión, a actriz Isabel Risco fala da súa ligazón coa aldea mariñeira de Fontán. |
NOS_684 | Preferentistas e familiares analizaron en asemblea as máis de 30 citacións xudiciais que deben afrontar nestes meses. Convocan unha concentración de solidariedade esta quinta feira en Pontevedra.. | Xulio Vicente (veciño do Rosal), Nieves Rodríguez e Míriam Rodríguez (veciñas de Tui) van ser xulgados esta quinta feira en Pontevedra pola súa participación en mobilizacións e protestos do colectivo de preferentistas. Desde a Plataforma do Baixo Miño afirman que estas tres persoas foron acusadas " sen seren identificados, nin detidos ,nin informados"de causar "desordes graves e organizar concentracións irregulares". Co gallo desta vista fan un chamamento a colectivos, organizacións políticas e sindicais, movementos sociais e veciñais... a participar na concentración que esa quinta feira haberá ás 10:30 perante os Xulgados de Pontevedra. Máis de trinta citacións Esta fin de semana máis de 20 preferentistas realizaron unha asemblea no Rosal, xuntanza na que se abordaron as máis de 30 citacións xudiciais perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo que este colectivo vai ter que facer fronte nos vindeiros meses. "Levamos pagando xa preto de 17.000€ euros en sanción administrativas para poder recorrelas agora" |
NOS_31880 | A Banda da Loba, Familia Caamagno, Heredeiros da Crus, Os amigos dos músicos e Tanxugueiras están nomeadas a Mellor Álbum en galego, entre outras categorías. | Os Premios da Música Independente do Estado veñen de facer pública a súa listaxe de nomeadas en 2020. O Mellor Álbum en galego conta con cinco finalistas (A Banda da Loba, Familia Caamagno, Heredeiros da Crus, Os amigos dos músicos e Tanxugueiras), que ademais de optaren a Mellor Álbum xeral, suman varias candidaturas máis. As gañadoras daranse a coñecer nunha gala que terá lugar o 11 de marzo no Teatro Circo Price de Madrid. Fábrica de Luz, segundo disco da Banda da Loba, continúa coa musicalización de poetas e escritoras contemporáneas, nunha achega de "estilo ecléctico e heteroxéneo" que lle valeu o nomeamento a Mellor Artista e Mellor Canción ("Anagnórise"). As frenéticas melodías de pop bailábel de Familia Caamagno en Había que intentalo colocaron os de Sigüeiro na carreira a Mellor Álbum de Rock e Canción ("Castromil"). O retorno de Heredeiros da Crus, Derretidos, após seis anos afastados dos palcos, conseguiu facerse un oco nas seccións de Mellor Artista, Álbum de Rock, Produción Musical (Iago Lorenzo) e videoclip (Xaime Miranda), así como na de Canción con "Esquimales". O Segundo Fogar dos Amigos dos músicos colouse tamén na categoría de Deseño Gráfico, ao cargo de María Grande, e videoclip, polo traballo de Rubén Domínguez en "As Crónicas". Por último, Tanxugueiras repite na categoría galega, que gañou o ano pasado, esta ocasión polo seu recente Contrapunto, finalista tamén en Músicas do Mundo. Nomeadas a Mellor Artista, figuran en Deseño Gráfico grazas ao labor de Sonia García (Illa Cromática) e Videoclip pola adaptación audiovisual de "Perfidia", dirixida por Diego Muñoz e Diego Santaclara. |
NOS_46273 | Subliña que a Xunta traballa para que se realicen, mais aponta que a saúde pública está "antes de calquera proceso electoral". | O presidente da Xunta e candidato do PPdeG, Núñez Feixoo, asegurou que o seu Goberno "non" quer "aprazar" as eleccións galegas e traballa para que se realicen o 5 de abril, aínda que subliñou que haberá que ver como evoluciona a crise nas vindeiras semanas e o que recomendan as autoridades sanitarias. "Desde a rolda de prensa de onte, non temos outra información salientábel", trasladou Feixoo, en declaracións aos medios, tras participar nun acto de precampaña en Ferrol. Ao tempo, insistiu en que a incidencia do virus en Galiza é "baixa" en relación ao conxunto do Estado español. Nesta coxuntura, apelou a atender o que indican as autoridades sanitarias e ver como evoluciona o número de contaxios. Subliñou que "non hai máis novidades" e que o PPdeG continúa coa súa campaña con normalidade. "Seguimos preparando as eleccións con normalidade. O que queremos é que se fagan o día acaído, que é o día convocado, o 5 de abril", defendeu. "Non queremos aprazar as eleccións" Matizou que ante a pregunta de que pasaría se a situación empeora e Galiza se atopase nun escenario de "absoluta dificultade" e ponse en risco a "saúde pública" e o "dereito ao sufraxio de todos os cidadáns habería que barallar a posibilidade de aprazar as eleccións. "Se así fose, deberiamos ter unha resposta", subliñou. En todo caso, insistiu en que a Xunta traballa para non chegar a este extremo e "manter as eleccións como estaba previsto". "Pero antes de calquera proceso electoral está a saúde dos cidadáns", dixo. Sinalou que os franceses teñen eleccións municipais esta fin de semana e "van a mantelos", o que considera "un bo indicador". A partir de aí, apelou á "prevención" e á "precaución".+ Os partidos chaman á calma a espera de saber se o coronavirus afectará á campaña. |
NOS_37113 | Os casos activos sitúanse en 9.895. | Os contaxios de coronavirus Covid-19 volveron repuntar na Galiza após confirmarse 734 por PCR nas últimas 24 horas, deles 240 na área de Vigo. Ademais, os casos activos aumentaron noutros 253 até situarse en 9.895, e increméntanse en todas as áreas agás nas de Ourense e Santiago. Os pacientes con Covid-19 hospitalizados na Galiza aumentaron até 577, o que supón 14 máis que os rexistrados onte, mentres que os ingresados en UCI son 79, un menos. Así se desprende dos datos actualizados na mañá de hoxe na web da Consellería de Sanidade con cifras actualizadas até as 18:00 horas desta cuarta feira, nas que se reflicte que, após a área de Vigo, a da Coruña e Cee é a que rexistra máis casos de Covid confirmados por PCR nas últimas 24 horas, con 117; seguida de Pontevedra, con 95; as de Santiago e Barbanza e Ferrol, con 81 en cada caso; Lugo, con 75; e Ourense, con 45. Se se teñen en conta as altas rexistradas con respecto a onte (498 máis), o incremento de casos activos (253 máis) e as persoas falecidas (nove máis), os contaxios soben nuns 760 na Galiza, deles 734 confirmados por PCR nas últimas 24 horas. En canto aos casos activos de Covid-19, ascenden en todas as áreas sanitarias agás nas de Ourense e Santiago. En concreto na primeira baixan a 1.152 -59 menos- e na segunda a 1.338 -12 menos-. Por contra, soben a 2.388 na de Vigo, o que supón 117 máis; a 1.737 na da Coruña e Cee, 69 máis; 1.137 na de Pontevedra e O Salnés, 40 máis; a 1.094 na de Ferrol -un aumento de 65- e a 1.049 na de Lugo -33 máis-. Na Galiza morreron até o momento 960 persoas con Covid-19.Esta mesma semana, a segunda feira, rexistrouse o maior número de mortes diarias notificadas por coronavirus nesta segunda onda da pandemia e con cifras que se remontan a principios do mes de abril. |
PRAZA_2680 | Os últimos datos sinalan que os gandeiros do país cobran o litro de leite seis céntimos por baixo das explotacións de Andalucía. O sector retomará as mobilizacións a partir da vindeira semana. | O fracaso do acordo lácteo para Galicia. O pacto do sector impulsado polo Ministerio de Agricultura -e que non asinaron nin o SLG nin Unións Agrarias- non trae bo resultados para os golpeados gandeiros do país. O importe pagado ás granxas galegas no outono incrementouse en 0,4 céntimos en novembro, un mes no que tradicionalmente se elevan estas remuneracións. Pero non é dabondo. Nin moito menos. De comparar co resto de comunidades autónomas do Estado, a fenda entre unhas e outras segue medrando e Galicia segue a ser prexudicada. Galicia é a única autonomía na que os gandeiros cobran o leite por baixo dos 30 céntimos por litro Así se tira dos últimos datos do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA). Galicia é a única autonomía na que os gandeiros cobran o leite por baixo dos 30 céntimos por litro, unha lamentable honra que compartía con Cantabria pero que xa non é así. No territorio cántabro, a suba foi de case un céntimo de media, ao pasarse dos 29,3 céntimos de setembro aos 30,2 de outubro. A situación de Galicia segue a ser mala, tamén de comparala co resto de prezos pagados noutras autonomías. En Andalucía, que é onde se paga máis, os gandeiros reciben 34,4 céntimos por libro, 5,7 céntimos máis que os 28,7 céntimos de media que se pagan no país. Ante esta realidade, e tal e como anunciara a Plataforma Galega en Defensa do Sector Lácteo, as mobilizacións do sector volverán a partir do vindeiro luns 30 de novembro. Empezarán con entregas gratuítas de lei nas cidades, diante das áreas comerciais, ademais de anunciar tractoradas na Coruña e Compostela, así como bloqueos e boicots ás distribuidoras de non haber avances nos próximos días. Os gandeiros manifestaranse en plena precampaña e prometen seguir tamén na campaña se os prezos seguen así de baixos. O sector volverá á rúa con entregas gratuítas de leite, tractoradas e bloqueos á distribución Perante esta realidade, a Plataforma en defensa do sector lácteo convocou mobilizacións a partir da segunda feira (31 de novembro) que consistirán en entregas gratuítas de leite nas cidades que terán lugar diante das áreas comerciais. Aliás, volverán saír en tractorada pola Coruña e Compostela e advirten que bloquearán as distribuidoras se non hai avances nos vindeiros días. |
NOS_8055 | Como cada ano, a chegada do final de outubro e o comezo de novembro traen desde os Estados Unidos de América os ecos do Halloween, unha festividade mercantilizada e despoxada de gran parte da súa orixe irlandesa e bretoa. Cada vez é máis habitual ver como institucións da Galiza pulan pola conmemoración estadounidense, na que a morte é entendida como fonte de terror, no canto das tradicións celtas e galegas, nas que as devanceiras aproveitan a noite do 31 de outubro para reencontrarse coas que seguimos vivas. | O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, anunciou a pasada semana que a programación do Día de Defuntos na Auria constaría na presenza de cen actores repartidos pola zona antiga da cidade que a converterían nunha "Pasaxe do Terror". O primeiro edil ourensán, lonxe de ser unha nota discordante, é só un dos moitos dirixentes das Administracións galegas que deciden apostar polo Halloween estadounidense -que nada ten que ver co Hallow's Eve orixinal dos migrados irlandeses- fronte aos ritos e costumes celtas e galegos. É habitual ver como concellos, deputacións e mesmo a Xunta da Galiza promoven actos e eventos nos que as crianzas van disfrazadas e a primeira noite de novembro transfórmase no fogar de monstros e outras criaturas do inframundo. A reprodución do Entroido temático no que o capital converteu esta conmemoración fecha cada vez máis portas a nivel institucional para que as tradicións da nosa terra e das nosas devanceiras poidan atopar a proxección e a protección necesarias para perdurar no tempo e na memoria. Porén, a nivel social, asociacións e colectivos pulan cada vez con máis forza por manter vivo o relato do Samaín e o Día de Defuntos. Orixe da relación da morte coas galegas "Io fu già quel che voi sete: e quel chi son voi ancor sarete": "Fun o que ti es, e serás o que eu son". Así reza unha inscrición do pintor renacentista italiano Masaccio no seu fresco Trindade, que fai referencia á inevitabilidade da morte. No noso país, a morte sempre xogou un papel como elemento protagonista na concepción e entendemento da sociedade. No patrimonio oral galego existen infinidade de lendas, historias e rexistros vencellados coa morte, os espíritos e o máis alá. Para estudosos e expertos como o arqueólogo Felipe-Senén, esa riqueza inmaterial ten como punto de partida a propia orixe celta da Galiza. O pobo celta, que se estabeleceu en diversas zonas da Europa occidental, vía a morte como algo cotián. O ambiente guerreiro no que se movía, que levaba ao enfrontamento entre tribos ou contra outras civilizacións, supuxo confeccionar toda unha serie de ritos e lendas vencelladas coa morte para seguir mantendo un contacto estreito cos guerreiros falecidos. Para os celtas, a morte non era a fin, senón que supuña un paso máis para chegar ao Outro Mundo. Existen numerosos estudos e investigacións arqueolóxicas e antropolóxicas que desvelan como os celtas adoraban deuses relacionados coa morte, como Nabia, Airón, Ataecina e Endovélico, entre outros. Para Felipe-Senén, o seguinte actor diferencial que marcou a relación das galegas coa morte foi o cristianismo. "A Igrexa soubo cristianizar os antigos ritos de pasaxe que van do tempo soleado ao escuro, ao outono [...] contrastando alegorías coa morte". Os meses de outubro e novembro contan cunhas características climatolóxicas moi específicas na Galiza: é neste período de tempo cando inicia o proceso de caída das follas nas árbores caducifolias. Os días van a menos, as temperaturas descenden. Os ourizos dos castiñeiros comezan a caer e a abrir, deixando á vista as castañas, un dos alimentos máis importantes e tradicionais na historia do país. Todas estas situacións conflúen nunha concepción de outubro como un mes de cambio. Unha porta que se abre para dar paso a unha nova época, o inverno. Así o entendían e o deixaron rexistrado os celtas. Ese coñecemento e esa tradición transmitiuse de maneira oral a través das xeracións. Cando a Igrexa comezou a estabelecer o seu poder na Galiza Medieval, optou por servirse destes mitos e lendas para confeccionar o seu propio relato cristián na nosa terra. Deste modo, outubro dá paso a novembro, mes dedicado aos defuntos e aos santos. A derradeira noite de outubro é conmemorada en todas as rexións e nacións da Europa que teñen como orixe os asentamentos celtas nos seus territorios. Máis alá de lendas e mitos, é o Renacemento celta, encabezado por persoeiros como o poeta e dramaturgo dublinés do século XIX Willian Butler Yeats, quen recupera para a tradición europea a festividade do Samhaim -que evolucionou até o actual Samaín-. Esta celebración de orixe celta é a que se vai dividir a través dos diferentes territorios para dar lugar a conmemoracións como o Hallow's Eve dos irlandeses nos Estados Unidos neófitos, entre outras. Felipe-Senén explica que o Samaín actual é un alcume pensado para non perder ese vínculo histórico coas orixes celtas, pero que na tradición galega é máis correcto entender este tempo, que vai desde o 31 de outubro até a segunda semana de novembro, como de Defuntos, ao que se lle debe engadir o tempo de Magosto. Nun artigo publicado en Nós Diario, Senén engade que "desde Sarmiento e Cornide a Vicetto e Murguía... e logo co Modernismo Cuevillas e Risco, entre tantosestudosos, teñen a prudencia de non enxertar na Galiza o nome gaélico de Samhaim ou Samaín". O Samaín galego fronte ao Halloween estadounidense A primeira aparición rexistrada do termo Samaín no imaxinario colectivo da Galiza dátase a finais dos anos oitenta e principios dos anos noventa, cando unha serie de colexios, asociacións e colectivos tomaron a decisión de recuperar os costumes e tradicións da primeira festividade celta. Encabezados polo mestre cedeirense Rafael López Loureiro, este grupo de persoas opúñanse frontalmente á adopción do Halloween -que xa comezaba a converterse nunha data mercantilizada- como festa propia. O primeiro Samaín da Galiza entendido como tal tivo lugar o 24 de novembro de 1990, organizado pola Asociación Cultural Chirlateira, na que o propio López Loureiro participaba. Foi un primeiro encontro no que a entidade pretendía recuperar e dar visibilidade ao antigo costume de baleirar e esculpir caveiras de melón. Outro dos detalles desta reunión é que Chirlateira puxo como condición "indispensábel para poder asistir" que as persoas acudisen "vestidas de civil", sen estaren disfrazadas. O obxectivo era diferenciarse das tradicións do Halloween, que pouco a pouco comezaban a chegar desde o outro lado do Atlántico para quedar. Ese punto de partida tivo un crecemento exponencial que levou o Samaín a constituírse como festividade principal desta época do ano na Galiza. Complementada co Día de Defuntos relixioso, ambas as conmemoracións deixaron nun espazo case residual o Halloween, polo menos no que se refire á esfera social. Na actualidade, a popularidade do Samaín na Galiza está máis que asentada. No entanto, entre os pioneiros daquel primeiro Samaín de 1990 existe o temor de que se produza unha hibridación entre o Samaín e Halloween, que leve a que o segundo remate por absorber o primeiro. Por iso Rafael Loureiro ou Felipe Senén fan fincapé na necesidade de manter vivas e protexidas as tradicións celta e galega. "A primeira xorde da tradición histórica, mentres que a segunda ten como base a propia tradición". Nos últimos anos, esa hibridación entre o Samaín e o Halloween levou a que algúns elementos da festa tradicional, como a música de gaitas, as castañadas ou os magostos, variasen ou mesmo desaparecesen, cambiados por elementos puramente estadounidenses, como a tradición das pequechas de disfrazarse. Esta é unha das principais críticas que parte da etnográfica galega transmite ás institucións que, como o Concello de Ourense, fan unha mestura do que é o Samaín e o actual Halloween, dúas festas que hoxe en día pouco teñen que ver. Manter a relación cos nosos mortos Mentres que na tradición estadounidense os mortos son representados como criaturas malignas e entes escuros, na Galiza seguen mantendo ese vínculo de familiaridade ou amizade mesmo despois de falecer. A chegada de Halloween supón para os Estados Unidos toda unha fervenza de expresións culturais destinada a perpetuar no tempo esa imaxe do final de outubro como un tempo de terror e de monstros. Desde o cine, pasando por todo un imaxinario dos barrios residenciais estadounidenses decorados e repletos de rapazada disfrazada, a imaxe da morte ten un compoñente moito máis fantástico, ou mesmo de ficción, que na Galiza. No noso país, o Samaín ou o Día de Defuntos supón unha oportunidade para volver estar perto dos seres queridos que xa non están no mundo dos vivos. Entre outubro e novembro, a "parroquia dos vivos" e a "parroquia dos mortos", como Senén as denomina, conflúen, o que dá a oportunidade ás ánimas para moverse polo noso mundo. Para os vivos, o Día de Defuntos ten un carácter especial, xa que permite non perder ese vínculo existente coas persoas falecidas. É nestes días cando as galegas levamos a cabo toda unha serie de tradicións e ritos colectivos e individuais para manter no recordo as persoas que xa non están. Desde as que seguen a manter tradicións cristiás como acudir á misa de Defuntos ou levar flores aos cemiterios, até as que desenvolven tradicións Sexa como for, a relación actual da Galiza coa morte segue a distar moito da visión que se ten desta nos Estados Unidos. Unha relación moi influenciada pola orixe celta da Galiza e a evolución histórica do país. O Samaín converteuse nunha das festividades anuais máis representativas do territorio galego, e unha das poucas, xunto co Entroido ou a noite de San Xoán, que seguen a manter en moitas zonas do país o carácter desmercantilizado e tradicional de antano. Manter a tradición mentres miramos ao futuro Neste escenario, no que as asociacións e colectivos pulan polo Samaín mentres que institucións apostan polo modelo estadounidense de Halloween, cómpre ter en consideración diversos factores. É inevitábel decatarse de que na sociedade actual, a vertixe e a evolución contínua representan unha constante xa moi difícil de parar. Este movemento permanente afecta tamén ao ámbito cultural. A Galiza, que non pasa polo mellor momento político, non escapa desta situación. As tradicións galegas teñen cada vez máis difícil a permanencia no tempo, desprotexidas por unha Administración galega que tende cara a un modelo homoxeneizador. Neste contexto, os diferentes organismos que impulsan e apostan pola posta en valor da nosa tradición non deberían perder de vista que a planificación do futuro cultural da Galiza debe ter en conta o fortalecemento das tradicións propias, entre elas o Samaín. A morte en México Ao igual que na Galiza, en México a festividade do paso de outubro a novembro -alí chamado "Día de Muertos"- é moi diferente do que é Halloween nos Estados Unidos. O "Día de Muertos", que tamén se celebra noutros lugares de América Central e América do Sur como Bolivia, Perú, Ecuador e Guatemala, está considerado pola Unesco como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade desde 2008. Na tradición mexicana, ao igual que na galega, a festividade é entendida como unha oportunidade para volver estar perto dos familiares falecidos. É habitual que as familias acudan aos cemiterios para visitar os seus achegados, antes de realizar grandes comidas nas que recordan a vida dos que xa non están. Os cemiterios e os altares énchense de cor para conmemorar unha das datas máis características dun país que, desde hai séculos, convive coa morte e que a entende como algo cotián. O magosto O mes de novembro, que se inicia co Día de Defuntos, conta tamén co Magosto como outra das festividades principais na Galiza. A celebración, que ten así mesmo lugar noutras zonas do norte da Península Ibérica, ten a castaña como elemento principal. O Magosto ten orixe celta, e marca o final do verán e o inicio da metade do ano na que os días van a menos e o tempo de colleitas remata. A festividade adoita ter como día grande o 11 de novembro, día de San Martiño -que dá nome a este mes-, mais é habitual que as celebracións e conmemoracións se estendan máis alá dese día segundo as condicións climatolóxicas o permitan. Nos centros educativos galegos é habitual que se conmemore o Magosto cunha gran castañada, na que os cornetes feitos con follas de xornal se enchen de castañas asadas, e as crianzas participan en xogos tradicionais como os bolos celtas ou os castelos de carozos. |
NOS_2221 | A plataforma "Seguir creando en dixital". | A plataforma "Seguir creando en dixital" (da que fan parte entidades como a AELG, Asociación de escritores e escritoras en lingua galega) esixe ao Goberno do Estado que a próxima transposición á lexislación española da Directiva europea sobre dereitos de autoría no mercado único dixital recoñeza de forma clara e específica os dereitos de propiedade intelectual e a súa xestión colectiva obrigatoria e irrenunciábel. "Seguir creando en dixital" destaca a súa preocupación ante a posibilidade de que a transposición non reflicta o dereito lexítimo das autores e autoras a unha negociación colectiva con transparencia sobre as condicións de explotación das súas obras, sobre os usos aos que son sometidas e sobre a remuneración que lles corresponde e á que alude o artigo 15 da Directiva. Ante esta situación, demándase: unha negociación aberta co Goberno do Estado para garantir a supervivencia destes dereitos, "que son a base dunha cultura diversa e de calidade", a través do mantemento da propiedade intelectual na lexislación existente e a protección do talento creativo "contra as grandes plataformas tecnolóxicas que explotan o contido cultural e obteñen grandes beneficios sen que os e as creadoras sexan axeitadamente remuneradas". Demandan tamén "a opción esencial, na transposición dos artigos 15 e 17 da Directiva europea, para a xestión colectiva obrigatoria e irrenunciábel como o único e máis solvente mecanismo para garantir a presenza autoral negada por plataformas, agregadores e propietarios/as das redes sociais máis importantes". Tamén a garantía de que os e as creadoras "poderán negociar coas plataformas tecnolóxicas que explotan os contidos para chegar a acordos, nun marco de negociación solidaria, equitativa, non discriminatoria e transparente que garanta que os creadores reciban unha parte adecuada e xusta dos ingresos que xera o modelo de negocio para a explotación de contidos dixitais, tal e como dita a Directiva". |
NOS_4038 | No 'Día do barrio' a Asociación de veciñas e veciños do Barrio de San Pedro reivindicaron melloras na zona. Nesta xornada, ademais, colocaron sinais, realizaron traballos de limpeza e repuxeron elementos públicos. | O Barrio compostelán de San Pedro decidiu acollerse hoxe ao denominado movemento Urban Knitting. Esta expresión artística social, tamén denominado como guerrilla knitting ou graffiti inofensivo, reivindica os espazos públicos como forma de expresión. Consiste en cubrir o mobiliario urbano con tecidos realizados coa técnica do ganchillo Comezou en 2005, despois de que dúas mulleres fundaran o grupo Knitta de Houston (Texas). Sete anos despois hai grupos por todo o mundo e na Galiza xa se fixeron algúns encontros. O Urban Knitting consiste en cubrir o mobiliario urbano con tecidos O barrio para a xenteNo caso deste barrio de Compostela a actividade de Urban Knitting complementou outras de mellora que realizaron as propias veciñas e veciños a través da asociación A Xuntanza. Algúns dos traballos foron a colocación de sinais informativos, a limpeza e posta en valor de varias zonas, repoñer elementos públicos e elaborar e instalar Caca Cans. |
PRAZA_13540 | Acaso estamos respondendo ao abuso de poder? Puniu alguén aos culpables desta crise? Fomos quen de reprimir as malas actuacións dos mandatarios? Daquela, como pretendemos que nos fagan caso e nos teñan en conta? Ademais, se o grao de absurdo ao que chegan gobernos e mercados é equiparable ás falcatruadas máis maliciosas, tamén o debería ser a amoestación, non si? | No fondo, non eramos malos rapaces. Leais ante a promesa, ineptos ao mentir e sen nunca acusar a un amigo. Pero cando nos daba por argallar, mellor non ternos preto; poderiamos afundir todos os barcos do porto só por xogar aos piratas. E foi así, con canallada corsaria, como comezou a brincadeira. Atardecía e estaba subindo a marea; fronte a lancha onde remabamos, a Pedra dos Corvos e, dentro da embarcación, un pobre inocente ao que nos deu por concibir como refén. Así que navegamos ata a illa pétrea; a dos Corvos, e alí abandonamos ao pobre cativo; a pesar do frío e das súplicas desesperadas. Desa maneira, entre os efectos especiais dun temporal de filme, acabamos por rescatar a un compañeiro que tardou moito tempo en dirixirnos de novo a palabra Deixamos pasar o tempo e o océano sobre o con solitario. Ata que finximos escoitar os berros dun náufrago… Efectivamente, aquel neno que raptaramos créndonos piratas repetía consignas de auxilio; co mar nos xeonllos e a forza do nordés nos braceos alarmantes. Entón, nun alarde de pacto ficcional digno do Beckett máis absurdo, cambiamos radicalmente de papel. Sentímonos heroes xusticeiros, cunha perigosa misión; arriscar a vida para salvar ás vítimas dun aterrador afundimento. Desa maneira, entre os efectos especiais dun temporal de filme, acabamos por rescatar a un compañeiro que tardou moito tempo en dirixirnos de novo a palabra. Si. Abusivo, inxusto e cruel. Incluso demente; un paradoxo en toda regra. Quizais por iso sexa esta historia pueril o primeiro que recordo en canto escoito o conto dos rescates financeiros. Haberá maior disparate? Que nos salven os secuestradores! E nós, tan contentos. Ou unha pandemia con síndrome de Estocolmo percorre Europa ou acabamos por crer as fábulas que o capitalismo inventou mentres nos roubaba. Ou unha pandemia con síndrome de Estocolmo percorre Europa ou acabamos por crer as fábulas que o capitalismo inventou mentres nos roubaba En calquera dos casos, non nacemos perdidos; deixámonos reter polos piratas e agora agardamos que nos rediman… Deles mesmos. A diferenza é que, desta volta, non se trata dun xogo inocente. Os adultos nin sequera cren o segundo rol; o de redentores e, a marea subiu máis do esperado. Coa auga ata o pescozo, case non podemos berrar e os poucos folgos que nos quedan, desbaldímolos chamando ao inimigo. A ver se nos rescata… Pero hai algo en todo isto que non cadra. Como sendo eu saqueadora infantil cheguei a facerme consciente da realidade descrita? Que tivo que suceder para que aqueles bucaneiros afeccionados comprendamos agora ao bando contrario e loitemos ao seu favor? Moi sinxelo: sensibilidade, educación e valores. O LAISSEZ FAIRE é a filosofía perfecta para que en vez de persoas crezan monstros Sensibilidade, educación e valores para medrar en humanidade. Unha reprimenda por cada inxustiza, como a daquela noite, ao chegar da aventura pirata, que nos galardoaron cun castigo á altura das circunstancias. Ou doses de lectura e teatro, co fin de progresar en catarse cara os demais. Sempre con previsión, anticipándose ás trasnadas, mais, sobre todo, contestando cada vez que sucedían. En definitiva, un efecto de acción-reacción ante as condutas erradas, pois o LAISSEZ FAIRE é a filosofía perfecta para que en vez de persoas crezan monstros. Xa, demasiado sinxelo… Como comparar a aprendizaxe moral duns cativos co funcionamento económico e político dun continente? Demasiado sinxelo…? Unha vez oín que a DEMOCRACIA podía existir; mais só se os cidadáns ían por diante das autoridades Acaso estamos respondendo ao abuso de poder? Puniu alguén aos culpables desta crise? Fomos quen de reprimir as malas actuacións dos mandatarios? Daquela, como pretendemos que nos fagan caso e nos teñan en conta? Ademais, se o grao de absurdo ao que chegan gobernos e mercados é equiparable ás falcatruadas máis maliciosas, tamén o debería ser a amoestación, non si? E é que, falando de contos… Unha vez oín que a DEMOCRACIA podía existir; mais só se os cidadáns ían por diante das autoridades. Disque era a única forma de educar aos saqueadores, rebater os ataques no canto de acatar instrucións como autómatas pasivos. Eu incluso cheguei a pensar que unha sociedade madura non precisa de adoutrinamentos nin ordes por parte de raptores. Mais non me fagan moito caso, xa saben… cousa de nenos. |
NOS_47868 | As aspirantes a un posto na Administración Pública denuncian que a convocatoria fusiona o proceso de consolidación e estabilización de emprego e o de libre concorrencia. Sinalan que se modificou o temario e que a única formación que se valora na fase de concurso é a impartida pola Escola Galega da Administración Pública, á que as opositoras de libre concorrencia non teñen acceso. | Recollida de sinaturas e creación dunha plataforma en redes sociais. As opositoras ás prazas na Administración Pública que convoca a Xunta de Galiza estanse organizando. A publicación do borrador da vindeira convocatoria desatou as súas críticas, protagonizada polo "trato de favor" da Xunta ao seu persoal interino. E é que as prazas de libre concorrencia fusiónanse coas de estabilización e consolidación de emprego do persoal interino nun único proceso de concurso-oposición. Pablo Ferreira, opositor, sinala que o borrador foi "unha xerra de auga fría para todo opositor sen antigüidade na Xunta". "É sorprendente este cambio posto que non se anticipou na publicación das Ofertas de Emprego Público. Era de esperar que os procesos se levaran a cabo por procedementos separados, oposición libre para as prazas ofertadas de acceso libre, e concurso-oposición as de estabilización. Deste xeito, cada grupo de aspirantes compite entre si en condicións de igualdade", incide. Que a Administración xunte os procesos non nos parece adecuado, afirma Burgos, de CIG-Ensino Zeltia Burgos, representante da CIG-Administración, comprende a postura das opositoras. "Quen leve dous anos preparando unha oposición comprobe que mudan os criterios tense que sentir lesionado". O sindicato acusa a Xunta de proceder de "mala fe", elaborando unha convocatoria sen negociar cos sindicatos. "Nós negámonos a participar deste proceso", expón Burgos. "Mais si defendemos o concurso-oposición, pois levamos dez anos cunhas taxas de reposición raquíticas que derivaron en cifras de temporalidade moi altas en determinadas escalas de emprego, 30% nalgunhas. Con todo, que a Administración xunte os procesos non nos parece adecuado, unha cousa é a consolidación de emprego e outra cousa é o libre acceso", afirma a responsábel da CIG. Diferencias salientábeis Cales son as condicións na actualidade? "A Xunta modifica a convocatoria respecto á de anos anteriores. Redúcese o temario, eliminando no subgrupo C2, por exemplo, o referido á Lei de Contratos ou o Estatuto Básico do Empregado Público, e os descontos por preguntas falladas", di Ferreira. Antonio Estévez, director do Centro Galego de Estudos Infórmate, no que forman a aspirantes a un emprego público, explica que nas aulas incídese moito na Lei de Contratos. "É un dos temas estrela das oposicións, tamén o máis complexo", di. Elisabeth Martínez, opositora, critica que na fase de concurso non se valora a experiencia de traballo fóra da Administración Pública. "O concurso-oposición é legal, claro, pero tamén hai que ter en conta o principio de igualdade. Eu teño dez anos de experiencia como administrativa, relacionada directamente co posto ao que aspiro e que non computan para os méritos", lamenta. O concurso-oposición é legal, claro, pero tamén hai que ter en conta o principio de igualdade, di Martínez Tampouco se recoñece a formación das opositoras. "Os cursos que temos realizado, impartidos por empresas e homologados pola Xunta, tampouco se recoñecen. Só aqueles impartidos pola Escola Galega da Administración Pública, á que as persoas que non somos interinas non temos acceso!", denuncia a tamén opositora Cristina Domingo. Martínez destaca que o presidente dun dos sindicatos de interinos (o CSIF), Pablo Landeira, defendeu nun medio o concurso-oposición. "Di que durante anos non se convocaron procesos de consolidación de praza, pero iso non é culpa nosa. E que os interinos son persoas maiores, que traballan e non teñen tempo nin forzas para estudar. Eu teño máis de cincuenta anos, son empregada nunha fábrica de conservas e a miña cabeza rende ao cento por cento!", afirma. "O nivel das aspirantes por libre concorrencia é moi alto. O colectivo de interinos non quere ter que competir con xente tan preparada", valora Antonio Estévez. Procesos separados "Non pedimos que deixen de convocar prazas para o colectivo de interinos, o que reclamamos é igualdade e que reserven prazas tamén para as persoas en libre concorrencia", reclama Cristina Domingo. "Non é xusto que a xente que nunca traballara na Xunta teña que competir en desvantaxe. Estannos pedindo que marchemos fóra.", salienta. Non é xusto que a xente que nunca traballara na Xunta teña que competir en desvantaxe, salienta Domingo "O documento publicado é un borrador, pero igualmente é preocupante. Hai que exercer presión para que as convocatorias sexan separadas. A nivel político estamos a falar dun problema de calado. Moitas das persoas que opositan son novas, e de seguir o proceso así terán que marchar fóra, opositar en Administracións, como a andaluza, cuxas convocatorias non as prexudican", conclúe Antonio Estévez. |
NOS_41413 | O semanario tamén fai un repaso pola realidade dos festivais poéticos da Galiza na situación de crise sanitaria e propón saber máis sobre os proxectos arquitectónicos de Sabín e Blanco. Se non queres perder estes contidos, non faltes mañá á túa cita co quiosque. | Como cada sábado, mañá tes unha cita co teu Sermos Galiza, mais se aínda tes dúbidas sobre se debes correr ao quiosque para mercar o semanario, velaí vai un avance dos contidos que che van dar amplos temas de conversa. Neste número, Tensi Xesteira propón pescudar a realidade da Galiza en verso en 'A poesía tras a pandemia'. A autora abre un amplo abano de posibilidades para as e os afeccionados a este arte falando con representantes de festivais como Alguén que respira!, o senlleiro evento do Condado ou o debutante de Guitiriz. Entreverbas e o Poemagosto tamén teñen a súa parte de protagonismo. A escrita segue de fío condutor para a seguinte proposta, desta vez da man de Montse Dopico. A xornalista fornece 'Concha Blanco: a forza do empeño', unha entrevista coa gañadora do premio Letra E que promove a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Antes de recibir unha merecida homenaxe en Cee, esta creadora de historias fala das súas obras, da inspiración, da realidade que puido observar nas aulas cando era mestra, ou do que sentiu ao ter este recoñecemento, entre outras cuestións. Pola súa banda, Iago Valverde aposta novamente na arquitectura compartindo reflexións con dous profesionais en 'Sabín-Blanco. Lume Lento'. No texto Enrique Blanco e Patricia Sabín repasan algúns dos seus traballos e aclaran que lles gusta tomar con paciencia cada proxecto. Ao igual que gozan da divulgación da súa profesión. No Andar e Ver hai que ir un pouco máis rápido para ver todos os detalles do percorrido en 'O Coto dos Mouros', primeiro explorado polo Colectivo Xea formado por Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo. Non esquezas que tamén vas ter unha serie de recomendacións para ocupar o teu tempo de lecer. Mario Regueira e Inma Otero Varela reparan nos libros mentres que Mario Vilariño e Belén Bermejo fan as súas propostas musicais. Aliás, Andrés Castro fai a súa escolma sobre cinema. Case para rematar con bo sabor de boca, Anxo Fole e Vide, Vide fan a súa particular maridaxe entre cociña e viño. E fechan o semanario Xerardo R. Roca e Xoán Costa co seu saber feito pasatempos. Xa estás convencida de que precisas o Sermos Galiza? Pois non tes máis que acudir ao teu punto de venda habitual e pedilo acompañado polo Nós Diario de mañá ou procuralo na nosa loxa en liña. Dáche preguiza? Xa podes adiantar traballo facendo a subscrición agora. |
PRAZA_5520 | Nesta data na que dun ou doutro xeito todos queremos demostrar o noso amor pola muller que nos deu a vida, gustaríame que tivésemos unha lembranza moi especial para esas nais que xa non van poder celebrar máis este dia porque un asasino, nalgunhas ocasións no nome dese amor envelenado que decía profesar, lles arrebatou a vida | Unha vez mais celebramos o que se supón e un dos dias mais entrañables do ano (intereses comerciais aparte): O dia da nai. E nesta data, na que dun ou doutro xeito todos queremos demostrar o noso amor pola muller que nos deu a vida, gustaríame que tivésemos unha lembranza moi especial para esas nais que xa non van poder celebrar máis este dia porque un asasino, nalgunhas ocasións no nome dese amor envelenado que decía profesar, lles arrebatou a vida. Para esas nais que xa nunca máis van poder acoller no seu colo os seus fillos ou fillas, que xa non os verán medrar, que xa non nos agarimarán..... Non permitamos que máis nenas e nenos sigan sendo as vítimas esquecidas e silenciadas deste tremendo masacre que estamos a vivir Imos lembrar tamén a eses nenos e nenas aos que a violencia mais tremenda lles arrincou do seu carón a quen máis os quería, os que lonxe de atoparen no seu fogar o refuxio que merecen, o amor ao que teñen dereito, vense obrigadas e obrigados a vivir cada dia nunha pesadilla de terror, de ameazas, e quen se lles nega o seu principal dereito: o de ser nenas e nenos felices. Non volvamos a vista cara a outro lado. Non permitamos que máis nenas e nenos sigan sendo as vítimas esquecidas e silenciadas deste tremendo masacre que estamos a vivir. Que o seu fogar non se convirta no seu inferno, un inferno que os marcará de por vida, non o esquezamos. Como muller, como nai, prégovos que non permitamos que lles borren o sorriso! Vamos a axudar a que sigan sendo nenas e nenos! Meréceno, non si? |
NOS_615 | As presións de China e Israel están por detrás dos recortes á aplicación do principio de xurisdición universal no Estado esapañol. As últimas modificacións na LOPX afectan a causas como o ataque ao Mavi Marmara ou o caso Couso. Analízamolo neste A Fondo coordenado por Esculca. | Hai anos, o Estado español era referente na aplicación do principio de xurisdición universal. A xustiza española atreveuse de feito, nos anos 90, cos crimes das ditaduras chilenas e arxentinas. O ex militar arxentino Scilingo permanece aínda hoxe nun cárcere español, condenado por delitos de lesa humanidade. Porén, na actualidade, o descrédito da aplicación da xurisdición internacional por parte do Estado español é total. O primeiro recorte chegou en 2009 da man de Moratinos, entón na carteira de exteriores, e atendendo a presións de Israel. O segundo, máis limitador aínda, foi aprobado este ano, como cesión aos interese chineses. No A Fondo desta semana, analizamos como estas medidas afectan a causas aínda abertas, como o asasinato de Xosé Couso en Bagdag por parte do exército americano, ou o ataque israelí ao buque Mavi Marmara en 2010, que foi asaltada polo exército xudeu para frustrar a súa intención de facer chegar axuda humanitaria a Gaza. Este A Fondo, coordinado por Esculca, o Observatorio para a Defensa dos Direitos e das Liberdades, analiza os efectos que as últimas reformas están a ter en causas abertas de gran repercusión. Introdúceo Pilar Allegue, profesora de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo, quen fai explícitas as presións de gobernos como o chinés ou o israelí sobre o español. Sobre o caso Couso escribe para este A Fondo un dos avogados que nel traballa, Raúl Maíllo, ou co ataque israelí ao Mavi Marmara, ao redor do que escribe o presidente de Esculca, Fernando Blanco, e o activista de BDS Galiza, Pablo Iglesias Valeiras. "A reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial deixa pouco espazo aos xuíces da Audiencia Nacional para manter a única función coherente do ponto de vista do garantismo xurídico conferida a este tribunas especial: a xustiza universal", afirman Así mesmo, Gustavo García, avogado da Fundación Galega contra a Impunidade, escribe sobre a querela presentada na Cámara Federal Arxentina para investigación dos delitos de xenocidio e contra a humanidade cometidos entre o 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977 no Estado español. A propia xustiza española, que fixo aplicación do principio de xurisdición universal, fronte ás leis de Punto Final e Amnistía sudamericanas, porén "non o acepta fronte aos crimes cometidos no estado español, que considera prescritos ou amparados pola Lei de Amnistía de 1977", analiza. Esculca entrevista precisamente, para este A Fondo, ao impulsor da causa polo xenocidio franquista en Arxentina, Carlos Slepoy. O avogado, expatriado no Estado español tras sufrir tortura e secuestro en Arxentina nos anos 70, pronúnciase sobre o actual desprestixio da Xustiza española con respecto á aplicación do principio de xurisdición universal: "Foi lanzada a mensaxe contraria ao principio de xustiza universal: que cando median intereses económicos e políticos a xustiza é relegada. Como acontece no Reino de España a respecto dos crimes do franquismo". |
NOS_28538 | O triunfo do NON no referendo escocés ten unha boa acollida nos principais medios españois, cada un tirando para o seu muíño. Para 'El País' é un triunfo da terceira vía e para La Razón a consulta en si xa foi un erro. | Alivio no goberno español e alivio nos grupos mediáticos españois. A derrota do SI no referendo escocés foi moi ben acollida por xornais e radios españois, que malia insistir nestas semanas en que o de Escocia e Catalunya non tiña nada a a ver, seguiron todo o proceso da vella Alba cun ollo de esguello en Catalunya. Co triunfo do NON, para articulistas e opinadores agora si hai que extraer leccións válidas para Catalunya. Votar? Non. A lección é a derrota do independentismo. El País titulaba 'Escocia rexeita a independencia' e destacaba a boa acollida nas bolas e mercados de que as e os escoceses optasen por seguir en Gran Bretaña. Dous dos articulistas de cabeceira do xornal do Grupo Prisa asinaban senllos artículos nos que indicaban o discurso a seguir. Vidal-Foch en "Amplo triunfo da Terceira Vía" e J.I. Torreblanca en "Preguntar foi o erro". Para ABC 'Reino Unido supera o referendo, Escocia elixe a Unión'. Na reportaxe central afirma que "o nacionalismo foi derrotado", destaca que "Cameron sae vivo e triunfador" mentres que de Alex Saldmon, ao que cualifica de "paladín da ruptura", destaca que o seu rosto ao coñecer os resultados era o da "contrariedade". O tenista Andy Murray tamén as leva El Mundo e La Razón coinciden no titular ('Escocia di non á independencia') e no golpe que o resultado supón para o proceso soberanista catalán, ese que até agora non tila nada a ver con Escocia según estes mesmos medios. Para El Mundo, o gran derrotado é Alex Saldmon e....Andy Murray!. O xornal madrileño carga contra este tenista por se sumar "a última hora" á causa da independencia de Escocia. Nos medios dixitais, El Diario informa que os escoceses e escocesas optaron por ficar en Reino Unido. Josep C. Rius, no seu artigo neste medio, afirma que o Goberno Rajoy pretende xogar a baza da derrota escocesa contra o proceso catalán e xa adianta que esa estratexia vai fracasar. E Libertad Digital opta pola liña dura xa no seu editorial. Convocar a consulta en Escocia é "un erro histórico" e advirte: "Imitalo non sería un estúpido erro senón algo moito peor". |
PRAZA_1390 | As instalacións foron clausuradas en 2013 e os seus usuarios e usuarias trasladadas a Muros. O concello carnotán denunciou que o xerente do espazo non tiña competencias para anular un convenio en vigor. | En xullo de 2013 a Xunta decidiu o traslado do Centro de Día de Carnota a Muros, argumentando o departamento de Benestar que o edificio presentaba "deficiencias" e que necesitaba dunha "intervención en profundidade". De inmediato, o Concello de Carnota presentou un recurso contencioso-administrativo contra a decisión, acusando o Goberno galego de pasar por riba, unilateralmente, dun convenio que tiña vixencia ata o 2015. Dous anos despois, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza na que estima o recurso interposto polo Concello de Carnota contra a resolución do xerente do Consorcio Galego de servizos de igualdade e benestar que resolvía o convenio entre o Consorcio e o Concello para o mantemento do centro de día. No fallo, o TSXG declara a nulidade de pleno dereito da resolución "por ser ditada por un órgano manifestamente incompetente", neste caso o xerente, pois non entraba esta acción dentro das súas facultades. O TSXG condena ademais o Consorcio ao pagamento das custas do xuízo. Na denuncia, o Concello de Carnota esixíalle a Xunta o pagamento dunha indemnización polos gastos que lle supuxera, ata ese momento, o mantemento da instalación e esixía o cumprimento do convenio en vigor. O Centro de Día de Muros ten 45 prazas, e o de Carnota contaba con 15. O Consorcio de Benestar ofreceulles aos usuarios e usuarias das instalacións carnotás transporte gratuíto cara ao Centro de Día muradán. |
NOS_54089 | Supón 4 de cada 10 persoas en pobreza severa na Galiza, segundo un estudo de Oxfam Intermón. | A aprobación hai un ano do ingreso mínimo vital (IMV) foi un paso adiante importante na loita contra a pobreza e a cobertura de colectivos e persoas en situación de dificultade, valoración que partillan colectivos e entidades sociais. Porén, o IMV precisa mellorar, tanto en deseño como en cobertura, inciden desde organizacións como Oxfam Intermón, para evitar así que amplas capas de persoas que precisan esta ferramenta fiquen excluídos da mesma. Así, e segundo os datos do estudo de Oxfam Avanzando cara ao sistema de garantías de rendas que deberiamos ter, na Galiza hai un total de 82.121 persoas que viven en situación de pobreza severa e que non poden optar ao ingreso mínimo vital por non cumprir os requisitos para poder optar a el. Isto supón, indica a organización, que 39 de cada 100 galegos e galegas en pobreza severa non poden optar ao IMV, o 39%, catro de cada dez. Goberno galego dedica menos de 5 euros de cada 1.000 euros de gasto público a atender a pobreza mediante axudas públicas Ademais, no informe tamén se subliña como o Goberno galego dedica menos de 5 euros de cada 1.000 euros de gasto público a atender a pobreza mediante axudas públicas. Así, Galiza figura entre os territorios do Estado que menos dedican por cada persoa en pobreza severa: 253 euros, cantidade moi afastada dos máis de 900 euros de Asturies, 750 de Cantabria, 450 de Castela e León ou 350 euros de Madrid. Estado Oxfam Intermón estima que 1,56 millóns de persoas que viven en situación de pobreza severa non poden acceder ao IMV por non cumprir cos requisitos establecidos para poder optar a el. "É necesario que ningunha familia en situación de necesidade quede sen protección, e nestes momentos hai no Estado español 597.000 fogares sen ningún tipo de ingreso", di Liliana Marcos, responsábel de políticas públicas de Oxfam Intermón, nun comunicado. A previsión de gasto en IMV para este ano é duns 1.500 millóns de euros, cinco veces menos do que a organización calcula que sería necesario para acabar coa pobreza severa dado o impacto da COVID-19. "O gasto previsto para o IMV é moi inferior ás necesidades dos fogares nun contexto no que a pobreza severa aumentou significativamente", explica Liliana Marcos. Un dos aspectos do deseño actual que, segundo Oxfam Intermón, habería que modificar, é o uso do nivel de renda do ano anterior como referencia. "A pandemia deixou sen medios de vida a miles de persoas da noite para a mañá" A ONG estima que hai marxe para subir os limiares de acceso, gastar máis e chegar a máis fogares vulnerables, porque o Estado español inviste en protección social até 23.000 millóns de euros menos que a media da Unión Europea. Para superar esa fenda, Oxfam Intermón pide superar outra: a fenda fiscal que separa o Estado español 5,7 puntos da media europea en recadación, e que impide non só reducir a pobreza, senón a desigualdade (España é o quinto estado máis desigual da Unión Europea). Un dos aspectos do deseño actual que, segundo Oxfam Intermón, habería que modificar, é o uso do nivel de renda do ano anterior como referencia. "A pandemia deixou sen medios de vida a miles de persoas da noite para a mañá", explica Liliana Marcos. "Usar os datos fiscais para determinar o acceso ou non ao IMV fai que esta prestación sexa inútil cando chegan crise como esta. Para moitas familias, a pobreza non avisa". |
NOS_18455 | Estes cartos correspóndense coas contas de 2020 e deben entregalos após non obter representación nas eleccións de xullo, pois xa non teñen representación na Cámara galega. | Os antigos socios de Anova, EU e Podemos, e En Marea terán que devolver asignacións parlamentarias despois de non conseguir representación no Parlamento nas últimas eleccións, decorridas en xullo. A Mesa da Cámara requiriu en novembro de 2020 que se entregasen as contas correspondentes ao ano pasado. En concreto Podemos na Galiza e Esquerda Unida terán que devolver preto de 60.000 euros e En Marea 50 céntimos. Esta situación inédita no país chegou a provocar dúbidas sobre que había que facer co diñeiro que había nas contas dos grupos, xa que o proceder de cada un deles, incluídos o PPdeG, BNG e PSdeG é diferente e algunhas forzas políticas, de feito, operan cunha soa conta para o partido e o Parlamento. Os balances foron entregados recentemente no rexistro do Pazo do Hórreo -o prazo remataba a mediados de decembro-, tanto polos que foron integrantes do Grupo Común da Esquerda (que concorreron con En Marea e que proceden das formacións Podemos, Anova e Esquerda Unida), como do Grupo Mixto (que ao final da lexislatura quedou integrado só por deputados da listaxe de En Marea, incluído o seu candidato á Xunta, Luís Villares). Estes documentos, que puideron ser consultados por Europa Press, amosan unhas contas saneadas en ambos os casos, coa diferenza de que o Grupo Mixto fixo unha transferencia en concepto de achega a partido político por valor de 30.000 euros, un traspaso de diñeiro que é habitual e que se repite nos balances doutros partidos. No Grupo Común da Esquerda, que como tal non tiña partido matriz porque os membros procedían de distintas forzas políticas, presenta unhas contas con activos de próximos aos 60.000 euros que non se repartiron (aínda que si figura unha achega de 14.000 a formación política) e que agora terán que devolverse ás arcas da Cámara galega. En concreto, revélase un activo neto por valor de 58.689 euros que, salvo axustes de última hora por facturas que puidesen chegar nos últimos días (acaban de terminar un proceso xudicial coa reclamación ante o TSXG de documentación da comisión das caixas), serán reintegrados ao completo. Sen dispoñibilidade total aos balancesOs fechamentos de contas do Grupo Mixto e do Grupo Común da Esquerda son os únicos aos que se pode acceder polo momento. Na web de Transparencia da institución autonómica si que aparecen os correspondentes a 2019.Segundo os datos dos últimos balances completos presentados, a falta de coñecer os do final da lexislatura, entre todos os grupos destináronse 122.331,35 euros máis do que ingresaron do Parlamento durante 2019, unha situación derivada das contas de PPdeG, PSdeG e BNG, aínda que os seus números estaban saneados ao peche do exercicio saneados e presentaban as súas cifras de tesouraría en verde. |
NOS_19332 | En 2020, o selo Pataca de Galiza estenderase a todo o territorio. Na actualidade só abrangue as zonas produtoras da Limia, Bergantiños, Lemos, Terra Chá e A Mariña.Desta forma, produtoras de todo o país traballarán baixo o amparo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP), que vai recoñecer, ademais, as variedades agre e fina de Carballo. | Segundo os últimos datos da Indicación Xeográfica Protexida Pataca da Galiza, hai 74 produtoras e 10 almacenistas rexistradas co selo de calidade. Xuntas, suman 282 hectáreas de produción repartidas en catro áreas: A Limia, Bergantiños, Terra Chá-A Mariña e Lemos. En 2018 comercializaron perto de 6.000 toneladas de pataca por un valor económico de case 6 millóns de euros. Coa ampliación da IXP a todo o territorio galego medrarán as cifras, mais tamén a satisfacción do sector pataqueiro. Especialmente de quen se dedica ao cultivo e á transformación dun produto esencial para a cociña e a economía galegas. A industria da pataca frita sumará un atractivo extra aos seus lotes, cada vez máis eloxiados no mercado galego e no internacional. Bonilla a la Vista, A Casa Vella e Jaly's son algunhas das marcas con máis tradición no ramo e con mellor acollida entre as consumidoras. Destino Corea Bonilla a la Vista é a máis veterana. Iniciou a súa actividade na primeira metade do século XX mais o negocio das patacas fritas alentouno con maior esforzo durante os últimos 30 anos. "Actualmente producimos 540 toneladas ao ano e vendémolas todas. As máis, na Galiza e no Estado español. 60 van para fóra, e desas, 40 a Corea do Sur", sinalan desde a empresa, que mantén a súa fábrica no polígono de Sabón, en Arteixo, desde o ano 1988. "A aparición dunha lata de patacas Bonilla en Parásitos, gañadora do Oscar á mellor película, disparou a venda online un 120%". O éxito, din, débese á calidade do produto; ao bo facer da distribuidora, que elixiu Bonilla en 2016 para levar ao mercado asiático, e a que Corea é o país do mundo que máis snacks consome, sobre todo, patacas fritas. Unha realidade que se mestura en Parásitos, o filme coreano recoñecido este ano co Oscar á mellor película. A aparición dunha lata de patacas fritas Bonilla nun momento da fita disparou a venda online un 120% no último mes, o que obrigou a marca a poñer en marcha, en pleno inverno, a segunda quenda diaria de traballo, concibida só para os meses de primavera e verán. E aínda máis, o incremento da demanda sumou catro empregadas máis á fábrica, que xa conta con 110 operarias. Bonilla é, a día de hoxe, a primeira marca galega de patacas fritas no mercado galego e no estatal, malia que non sempre botan man da produción do país. "Primamos a calidade, e hai épocas en que a pataca nova do país non é boa para fritir", aseguran. Pataca galega A Casa Vella preséntase como a segunda marca con máis predicamento no mercado galego. Así o apunta a Nós Diario Carlos Calvo, responsábel da fábrica con sede en Xinzo de Limia. O negocio botouno a andar en Fene en decembro de 2014, mais a praga da couza guatemalteca da pataca forzounos a moverse. Escolleron a comarca da Limia, onde obteñen a pataca galega coa que elaboran un "produto gourmet", con aceite de oliva virxe extra e sal do val de Añana (Áraba). "A Casa Vella elabora 110 toneladas ao ano de patacas fritas con aceite de oliva virxe extra e sal do val de Añana". "Desde o primeiro día apostamos por traballar con pataca galega da variedade agre, a máis óptima para fritir, que a partir deste ano contará coa certificación da IXP Pataca da Galiza". A Casa Vella produce unhas 110 toneladas ao ano de patacas fritas que atopan acubillo en máis de 3.000 puntos de venda en todo o Estado. "Agora acabamos de enviar as primeiras partidas ao Xapón, nun mes esperamos chegar a Panamá e axiña iniciaremos contactos para exportar a Suíza e Alemaña", afirma Calvo. "Jaly's IXP son as primeiras patacas fritas elaboradas en Xinzo co selo de calidade Pataca da Galiza". O país teutón tamén é o primeiro destino internacional de Jaly's IXP, unhas patacas fritas elaboradas en Xinzo co selo de calidade Pataca da Galiza. Acaban de nacer cunha previsión de vendas de 75 toneladas anuais. "Son galegas, da variedade kennebec, fritas con aceite de oliva virxe extra e sal do val de Añana", explica Pablo Fernández, xerente de Jaly's. A marca iniciou a súa actividade en 2011 como comercializadora. Desde o 2012 ten fábrica propia e produce patacas fritas con aceite de xirasol e sal mariño para os canais de alimentación e hostalaría. |
NOS_28047 | Desde o asasinato de Moncho Reboiras pola policía franquista na madrugada do 12 de agosto de 1975 en Ferrol, as homenaxes non deixaron de se suceder até os nosos días. Coincidindo co 45 aniversario da súa morte, e non era sen tempo, chega a primeira longametraxe documental sobre a súa historia e legado. | Producida pola Fundación Terra e Tempo e financiada por un nutrido mecenado de xente de diferentes ámbitos culturais, laborais e políticos, pero cun pensamento en común á hora de apoiar o proxecto: a longametraxe tiña que facerse. Reboiras. Acción e Corazón / Galiza 2020 / Dirección e guión: Alberte Mera / 61 minutos Era preciso elaborar e preservar un documento audiovisual que honrase a memoria do "último loitador galego morto en desigual combate contra Franco". O resultado está á altura. Dirixe Alberte Mera (Vigo, 1987), que conta xa con certa bagaxe ás costas ao abordar varios episodios de movementos de loita na Galiza, no franquismo e posfranquismo, nas súas primeiras longametraxes documentais: Clamor da terra en 2012, sobre o sindicalismo agrario, e Lume novo en 2013, sobre o movemento de estudantes. En Reboiras. Acción e corazón repite a mesma dinámica de alternar imaxes de arquivo con testemuños de amizades, familiares e compañeiras de partido mais, desta volta, inclúe tamén unha dramatización dos feitos que acaba achegando unha interesante dinámica ficción-realidade que suma moitos enteiros, máis aló do interese que xa, de por si, suscita o documental. Daniel Celester, Lidia Veiga, Daniel Prieto, Carlota Mosquera e Sergio Alfonso conforman o elenco. Que non teñan máis minutos en pantalla é do pouco que se lles pode reprochar. Esta aposta pola ficción supuxo un esforzo técnico e creativo importante, pois xa non era unha mera sucesión de entrevistas a cámara fixa, senón que había que recrear os feitos dunha época concreta, o cal precisaba ambientación, vestiario ad hoc, luz, deseño de son e demais elementos que nos transportase a 1975 de maneira fidedigna. Pero se hai algo que destaca por riba de todo é a veracidade e honestidade coas que Alberte Mera consegue que as testemuñas expoñan o relato. Moitas son revelacións inéditas nunca antes contadas máis alá do círculo de confianza. Resulta curioso como algunhas das persoas entrevistadas baixan o ton de voz ou pasan de puntiñas ao falar de certos temas como se estivesen contando un segredo, case como se esquecesen que están a ser gravadas. Simplemente xenial. |
NOS_25461 | A Consellaría de Cultura presentou esta quinta feira a Santiago Olmo como novo director do CGAC, sen responder ás alegacións do proceso de selección. | O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez xunto co Secretario Xeral, Anxo Lorenzo presentaron en rolda de prensa ao novo director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago Olmo. No acto estiveron acompañados polo vogal do Padroado do Centro, Carlos Rosón, despois de que, no polémico proceso de selección dimitiran a presidenta, a médica e coleccionista Sofía Santos Pérez e a vocal, a profesora Marisa Sobrino. Santiago Olmo, que fixo a súa intervención en galego, destacou a importancia do equipo na xestión do medio mais evitou se manifestar sobre as liñas concretas de programación que se iniciarán na nova etapa. De saída, Olmo negou a posibilidade de iniciar o novo curso despois do verán con novas mostras debido a curto tempo para preparar novos proxectos. De feito, o acto coincidiu coa presentación da nova mostra con fondos propios titulada "Reflexións. Colección CGAC" comisariada por Christina Ferreira que, segundo o novo director, foi montada nun tempo marca. Apuntou que o centro establecerá diálogos da arte galega co mundo e estimulará a produción local. Un ano despois O CGAC anunciou no pasado mes de xuño que as mostras "Como tizón queimado. Christian García Bello" comisariada por Alberto Cartón que tiña previsto previsto pecharse o 14 de xuño e "Téctonica", a exposición do fotógrafo Manuel Vilariño que remataba o 21 de xuño serán prolongadas ate setembro. Santiago Olmo toma posesión do cargo máis de un ano despois de que Miguel Von Haffe anunciara que non renovaría como director do CGAC. Despois dun proceso selectivo polémico, Santiago Olmo resultou gañador por centésimas mentres os outros dous finalistas, os galegos Manuel Segade e Juan de Nieves presentaban alegacións ao proceso que, a día de hoxe, aínda non foron respostadas. |
NOS_29696 | As marxes da industria son máis avultadas porque na Galiza é onde menos se paga polo leite e onde máis calidade ten | O leite que sae das granxas galegas é un dos de maior calidade do mercado polo seu alto contido en materia graxa. Porén, é o peor pagado pola industria e os intermediarios, unha situación que, sumada ao incremento de custos das explotacións leiteiras, está a por en risco a supervivencia de moitas delas. Ante esta situación, os gandeiros e gandeiras iniciaron as mobilizacións hai agora un mes para exixir a industria que, cando menos, suba o prezo que lles pagan para cubrir ese aumento de custos. E centran as súas peticións contra dous grupos en concreto, Lactalis e Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa), responsábeis de máis dunha terceira parte das recollidas de leite (35%) que despois comercializan baixo marcas como Ram, Puleva, President, Larsa ou Central Lechera Asturiana. Estas industrias son as únicas que seguen sen modificar os contratos asinados cos gandeiros e gandeiras en abril e sen repercutir as subas que si realizaron na distribución ─tres céntimos en setembro e outros dous de media en outubro─ e que non trasladaron aos produtores. Mais o negocio co que máis están a gañar nos últimos meses estas industrias ten moito que ver coa calidade do leite galego. O segredo está na graxa Do leite en cru que reciben, as industrias destinan 50% á produción de leite semidesnatado, 25% a desnatado e outro tanto á de leite enteiro. En todas eses procesos retírase unha importante cantidade de graxa que a industria aproveita para transformar en manteiga e leite en po. Segundo denunciou esta semana o secretario xeral do sindicato Unións Agrarias, Roberto García, a alza do prezo destes produtos nos mercados internacionais están a deixar 9 céntimos extra de beneficio a firmas como Lactalis e Capsa. Un beneficio que tampouco están a repercutir aos gandeiros e gandeiras. Segundo denuncia Elías Somoza, responsábel do sector gandeiro da Federación Rural Galega (Fruga), o leite galego "ten as mellores calidades do Estado pero é barato en comparación ao resto". "É ao que máis beneficio lle sacan, e iso que boa parte véndese líquido en cisternas para fóra", apunta. Como recoñece a Nós Diario, o leite líquido é o que menos beneficio deixa. Aínda así "no país non hai un grupo lácteo galego, do que tanto se leva falado, que teña o negocio diversificado. E cando unha industria é diversificada dálle saída a todo", explica, xa sexa en forma de iogures, manteiga, queixos ou leite en po. Galiza paga así as consecuencias de non contar cunha industria transformadora forte do país. A falsa subida de Capsa Si o sacan as grandes, Lactalis e Capsa, contra as que cargan agora os gandeiros. Esta última intentou xustificar que subira o prezo pagado aos gandeiros galegos, máis a realidade é que o que subiu foi a parte variábel dos contratos (30%), ligada precisamente á evolución do leite en po e a manteiga, "é como se fas horas extras e din que che soben a nómina, cando non é así", exemplificou Roberto García, quen lembrou que Capsa, aumentou sete céntimos o que lles paga aos gandeiros e gandeiras asturianos asociados á cooperativa. |
PRAZA_13803 | O voceiro do Bloque, Guillerme Vázquez, comunica por carta ao secretario xeral da coalición, Duran i Lleida, "o suspenso do marco de relacións" entre as formacións polas críticas continuadas de CiU ao AVE a Galicia ou á continuidade dunha entidade financeira na comunidade. | O Bloque rompe relacións con CiU. O BNG vén de remitir unha carta a Convergència i Unió, na que lle aclara á coalición catalá que deixa "en suspenso o marco de relacións" que mantiveron durante os últimos anos por mor das críticas continuadas de varios representantes da formación ao AVE a Galicia ou á continuidade dunha entidade financeira galega no país, aspectos que en opinión da fronte nacionalista son "intereses estratéxicos" do país. O Bloque acusa a CiU dunha "intromisión sistemática en asuntos estratéxicos para Galicia" Guillerme Vázquez, voceiro do BNG, foi quen remitiu a carta ao secretario xeral de CiU, Josep Antoni Duran i Lleida, na que lle lembra que a relación de ambas as dúas organizacións "sustentouse no respecto e o apoio mutuo ás cuestións claves de cada país". "O BNG sempre mantivo esta premisa e soubo defender Galicia sen agredir os intereses doutros pobos", recorda Vázquez na misiva. "Nos últimos tempos, cualificados representantes de CiU" fixeron manifestacións públicas que supoñen "unha intromisión sistemática en asuntos que afectan a intereses estratéxicos de Galicia" e que "denotan unha preocupante insensibilidade cos problemas" do país, advertiulle Vázquez, que xustifica a ruptura de relacións e que recrimina as "referencias negativas a supostos investimentos" nas infraestruturas ferroviarias ou sobre o futuro de Novagalicia Banco "que concentra boa parte do aforro galego", ambos os dous "temas de gran transcendencia para o desenvolvemento económico e social de Galicia, coa que o Estado "acumula unha débeda notable derivada da súa marxinación histórica en investimentos, xunto coa expatriación de importantes recursos propios". Para o BNG, as continuas alusións e críticas da formación catalá a intereses galegos fai que CiU "crebe as bases dunha relación sustentada no respecto mutuo e na reciprocidade". Guillerme Vázquez lembra que as críticas de CiU a asuntos galegos seguiron malia amosar o Bloque o seu "desagrado" Guillerme Vázquez lembra tamén que o BNG xa transmitiu o seu "desagrado" polo cuestionamiento destes "asuntos transcendentais" por parte de CiU, e destaca que malia iso, as críticas seguíronse producindo. "Agrede os alicerces do noso entendemento e colaboración e, polo tanto, vémonos obrigados a comunicarvos que deixamos en suspenso o marco de relacións que vimos mantendo durante estes anos", indica Vázquez. |
NOS_568 | Absorvente e atmosférico, Valverde introdúcenos nun universo de electrónica polo que resulta difícil transitar con indiferenza. | Este disco de Koroiev é unha desas pequenas xoias que se poden atopar perdidas por bandcamp. Estas verbas son, como as súas notas, unha invitación a deixarse atrapar polo percorrido que propón. Valverde continúa o periplo iniciado en Kostia Bogomov, o anterior traballo de Koroiev, na que o protagonista, que dá nome ao álbum, se ve arrastrado a un universo máxico "no tempo aquil no que os animales falaban", como escribiu Celso Emilio Ferreiro. Valverde | Koroiev | Once pezas | 2019 | 4 euros Colócase así tras o ronsel do Immram, denominación que na cultura celta recibe este tipo de relatos que versan sobre viaxes ao outro mundo ou o máis alá. Desta volta, Kostia esperta en Valverde, terra conquistada pola noite. Situándonos, xa que logo, na dimensión do extraordinario, inspírase nas lendas e crenzas sobre a morte para propor unha folla de ruta desde unha posición acústica do descoñecido, do que causa estupor e, por veces, desacougo. Deste xeito, as voces humanas entran na peza cunha dimensión étnica, entre o abraio exótico e o latexo do marabilloso. Falar deste álbum é intentar traducir unha colisión constante de sensacións que nos arrastran a un mundo de misterio, a esa dimensión oculta da realidade na que a maxia é posíbel. Por momentos épico ou caendo noutros na escuridade, aparecen tamén pezas con reminiscencias case de panxoliña ou cantiga de berce. Koroiev agocha a sinatura do músico e educador Roberto Casteleiro, tamén coñecido por Korokati, Federico Flesfa ou Fagot & Popota. O estilo, para os amantes das etiquetas, ten unha definición difícil. Sen desatender nunca a electrónica como categoría, ben poderiamos optar pola denominación de folk progresivo. Porque o que Koroiev elabora é unha paisaxe sonora pola que nós debemos transitar. Inquietante e críptica. Con toques de ruído ás veces, ou mesmo alentos e respiracións, na sempre cambiante embrolla do relato agroma tamén o tradicional coas coplas cantadas de "Modia" ou os timbres de gaita en "Illa da Vaca". Porén, fronte nomes como o de Baiuca, que poderían parecer referente, Koroiev traballa un rexistro moito máis narrativo. Se no anterior traballo os versos de Celso Emilio convocaban o sentido da viaxe, acometendo a función de bardo, o celtismo tinguido de electrónica precipítase sobre nós nesta nova entrega. Entra a chamada dese corno primitivo a través do que Koroiev procura os seus orixinais sendeiros creativos. E nese entorno máxico aparece o arrecendo tribal que ancora a música a unha terra e, ao tempo, a eleva cara ao universal. |
NOS_33623 | O Centro de Educación de Adultos EPA de Ourense vén de celebrar o pasado 1 de xuño un acto poético a xeito de clausura do Proxecto Europeo "Patrimonio Téxtil: dos Antigos Teares á Arte Dixital". | O acto tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel e consistiu nun encontro poético que buscaba dar remate a este proxecto. Contouse coa participación da poeta galega Dores Tembrás. Alumnos e ex-alumnos do centro, procedentes de distintos países e implicados dentro do proxecto coa educación para a paz, leron fragmentos d'O pequeno príncipe, de Antoine de Saint-Exupéry. Esta obra serviu de ponto de partida para a creación dun clube de lectura cos alumnos dos diferentes centros participantes. Dirixido polo profesor Alfredo Juan Conde Mariñas e presidido pola Xefa Territorial de Educación, Mª Luz Fernández Quintas, no acto contouse tamén coa asistencia do inspector do instituto Marcos Fernández Álvarez e os demais membros do equipo internacional. O proxecto "Patrimonio Téxtil: dos Antigos Teares á Arte Dixital" enmárcase dentro dos proxectos do Programa Erasmus +, financiado polos fondos europeos. A proposta foi solicitada polo Centro de Educación de Adultos EPA de Ourense, mais nela tamén participaron outros seis centros de Italia, Grecia, Reino Unido, Bulgaria e Letonia, sendo o centro galego o coordinador. Jacqueline Agrelo, coordinadora do proxecto, explica que se buscou estudar a historia téxtil en cada país e que se buscou que cada centro tratase os aspectos máis próximos á súa natureza. Así, por exemplo, mentres que o centro italiano se centrou máis na moda e nas artes gráficas, o centro ourensán, ao non tratarse dun centro especializado en educación téxtil, decidiu enfocar o proxecto centrándoo noutros aspectos. Deste xeito, a EPA de Ourense levou a cabo esta proposta facendo xirar todo ao redor da inclusión por medio das actividades manuais e artísticas, a transmisión de valores, a apreciación das artes e as tradicións a través da historia e o valor do patrimonio lingüístico ligado á actividade téxtil. Un aspecto especialmente positivo que salienta Jacqueline Agrelo da experiencia é a organización de diversos obradoiros, que, nas súas palabras, "abriron a cidade ao centro e o centro á cidade". O obxectivo final de "Patrimonio Téxtil: dos Antigos Teares á Arte Dixital" e deste tipo de proxectos é presentar as achegas e servir de inspiración. Dende o grupo coordinador, teñen en mente continuar con esta iniciativa a través da páxina web creada pese a que o proxecto xa rematou e non desbotan a posibilidade de repetir a experiencia nun futuro próximo. Non foi, porén, a primeira vez que este centro participaba nun proxecto deste estilo. Dende o comité organizador explican que é un xeito de chegar aos colectivos máis desfavorecidos e en risco de exclusión a través do intercambio cultural e da realización de actividades e obradoiros. O programa Erasmus + oferta diferentes posibilidades para o ámbito educativo e oferece oportunidades para a cooperación, a innovación e o intercambio de boas prácticas nos ámbitos da educación, a formación, a xuventude e o deporte. |
NOS_32057 | Estes días está a rodarse Trote, o debut na longametraxe de Xacio Baño que se converterá na primeira fita en galego que participe na competición do Festival de Cinema de Donostia. | Trote suporá o debú na longametraxe do cineasta galego Xacio Baño, consagrado xa no mundo da curta e con varios premios no peto. Este filme está rodado integramente en Galiza -e en galego- e protagonizado por Celso Bugallo, María Vázquez, Diego Anido, Tamara Canosa e Federico Pérez. A fita está a filmarse desde este mes de xuño en diversas localizacións galegas e os días 15 e 16 rodarán na Rapa das Bestas de Amil en Moraña A fita está a filmarse desde este mes de xuño en diversas localizacións galegas e os días 15 e 16 rodarán na Rapa das Bestas de Amil en Moraña. Ademais, o proxecto foi seleccionado para participar no prestixioso programa de residencias Ikusmira Berriak promovido polo Festival de Donostia que busca impulsar a creación audiovisual. Como parte dsta colaboración, o filme participará na sección competitiva do festival unha vez rematada, o que converterá 'Trote' na primeira fita en galego a concurso neste evento de referenza internacional. .Xacio Baño é un dos directores galegos con máis proxección internacional. As súas curtametraxes Eco (2015), Ser e voltar (2014) e Anacos (2012) obtiveron premios en prestixiosos festivais como Clermont-Ferrand, Locarno, Sevilla, Alcances, Slamdance, Málaga ou Telluride. 'Trote' xira arredor de Carme, unha moza que vive nunha aldea da montaña, nun ambiente pechado e opresivo, do que quere fuxir A produción é cousa de Frida Films, a produtora galega que está detrás de María (y los demás), que foi nominada a dous Goya e acadou cinco Mestre Mateo, entre eles o de mellor filme. Trote xira arredor de Carme, unha moza que vive nunha aldea da montaña, nun ambiente pechado e opresivo, que quere fuxir. O filme transcorre durante a fin de semana na que se celebra a Rapa das Bestas. É, en palabras da produtora, "a loita entre o home e o cabalo, entre a razón e o instinto". O precedente de Padrolongo (2008) Mais se Trote é a primeira fita a competir na sección oficial do festival, non é o primeiro filme galego en se exhibir no marco dese evento. En 2008 xa o fixo a película de Ignacio Vilar Pradolongo, na sección paralela Made in Spain. E non só competiu, senón que o filme protagonizado por Rubén Ríos e Tamara Canosa mesmo se fixo cun galardón, o Premio Cidade de San Sebastián Film Comission. O premio distinguía a longometraxe que, a xuízo do xuri, mellor reflectía os valores culturais e sociais das comunidades do Estado. |
NOS_51952 | O BNG cualifica de "negacionista" a postura do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, sobre o retroceso e perda de falantes do galego na mocidade. | De "negacionismo" cualificou o BNG a postura do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, sobre o retroceso e perda de falantes do galego na mocidade. Un de cada catro menores de 15 anos declara non saber falar galego e máis de 50% das e dos estudantes de Secundaria declara non sentirse cómodo á hora de expresarse na lingua propia, segundo informes da Real Academia Galega (RAG) que este 24 de novembro puxo sobre a mesa o parlamentario do BNG, Manuel Lourenzo, nunha interpelación na Cámara ao conselleiro de Educación. Na réplica, Román Rodríguez gabou o decreto de plurilingüismo da Xunta -o coñecido como o decretazo antigalego nas aulas- aludindo a informes do programa internacional PISA. Segundo estes estudos, dixo, "somos a comunidade bilingüe onde se falan dúas linguas oficiais con mais facilidade" e o alumnado galego é o "mais competente en dúas linguas oficiais". "Unha barbaridade impropia" O deputado do BNG Manuel Lourenzo afirmou que extrapolar datos do informe PISA referidos a un exercicio de comprensión lectora a valores sociolingüísticos é "unha barbaridade impropia dun conselleiro de Educación". O nacionalista lembrou que o galego é a única lingua do Estado que perde falantes e criticou que a Xunta cambiara a metodoloxía empregada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) "manipulando o dato de falantes habituais e evitando dicir que a xente que fala máis galego que castelán cae 5 puntos, mentres que as persoas que falan só castelán sobe 4%". Manuel Lourenzo concluíu exixindo un novo marco normativo para o galego, como avalan os informes de órganos galegos e internacionais que citou como a Unesco, a RAG ou o Consello de Europa. Nese sentido, apelou o conselleiro "a sentar e falar" cos axentes sociais en base aos criterios que están estabelecendo todas estas institucións, "porque se en algo coinciden todas elas é en que este decreto da vergoña debe ser derrogado porque é tremendamente lesivo para o futuro da lingua galega". "Vostede ten dúas opcións: dicir que a representatividade neste país a ten a maioría dun PP alienado e alineado coas posturas de Vox e a ultradereita, ou pensar que neste país a RAG, o Consello da Cultura Galega ou o Instituto da Lingua Galega teñen algo que dicir" no ámbito lingüístico", aseverou Lourenzo. |
NOS_30066 | Os últimos estudos de opinión para os comicios deste domingo recollen unha lixeira recuperación do liberal Partido Social Demócrata, que sería segundo a tan só 10 puntos. O Bloco de Esquerda sería terceiro por riba da CDU, que integran o Partido Comunista Portugués e Os Verdes. | A poucas horas da fin da campaña das eleccións lexislativas deste domingo en Portugal, a sondaxe feita para o semanario Expresso e o canal de televisión SIC outorga unha cómoda vitoria ao Partido Socialista (PS) con 38% dos votos. Porén, fica lonxe da maioría absoluta, principal obxectivo dos de António Costa ao comezo do proceso electoral. De feito, o liberal Partido Social Demócrata (PSD) reduciu á metade a diferenza que o separaba do PS hai tan só un mes, e o estudo de opinión sitúao agora segundo con 28% dos votos. Pola súa banda, o Bloco de Esquerda (BE) recuncaría no terceiro posto despois do sorpasso ao seu rival na esquerda, o Partido Comunista Portugués (PCP), hai catro anos. A sondaxe de Expresso/SIC outorgaríalle 10% dos votos, un punto máis que hai un mes. Ademais, a Coalición Democrática Unitaria (CDU), formada polo PCP e por Os Verdes, conseguiría 7% dos votos; o conservador Centro Democrático Social-Partido Popular (CDS) chegaría a 5%, e o Persoas-Animais-Natureza (PAN) lograría 3%. Estas porcentaxes, traducidas en número de deputados, darían entre 104 e 114 ao PS (86, en 2015); entre 73 e 83 ao PSD (89, en 2015); entre 16 e 24 ao BE (19, en 2015); entre 9 e 15 á CDU (17, en 2015); entre 5 e 10 ao CDS (18, en 2015), e entre 2 e 5 ao PAN (1, en 2015). |
NOS_2844 | O BNG de Compostela e a AC O Galo desenvolveron un acto de homenaxe ao rexedor nacionalista paseado após o golpe de estado de 1936 | A rúa do Vilar, onde se emprazaba a imprenta 'Nós' da que era propietario Ánxel Casal acolleu esta segunda feira a tradicional homenaxe que o BNG da capital galega organiza en recordo do rexedor compostelán asasinado. No acto estiveron presentes o historiador Uxío Breogán Diéguez, o portavoz municipal do BNG, Rubén Cela e Goretti Sanmartín, membro da Executiva nacional do Bloque. Esta última, exixíu na súa intervención a demisión do alcalde de Baralla, polas súas declaracións sobre as persoas represaliadas e condenadas a morte após xullo de 1936. Goretti Sanmartín salientou asemade o papel protagonista que tiveron as mulleres na loita anti-franquista e no nacionalismo lembrando figuras como Elvira Bao ou María Miramontes, compañeira do propio rexedor compostelán. Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG, Rubén Cela salientou a Ánxel Casal como "unha desas persoas imprescindíbeis na historia dun país" á que "os herdeiros políticos dos golpistas" procuran "que non lembremos", enfatizou, pois as súas convicións e ideas eran as da "democracia, a liberdade da Galiza e os seus dereitos nacionais" a prol dunha "sociedade máis xusta e igualitaria". O historiador Uxío Breogán Diéguez quixo subliñar a traxectoria política e cultural de Casal como un dos pioneiros en reivindicar "a República da Galiza" e a súa problama do dereito de autodeteminación e a soberanía na Asemblea de concellos galegos onde foi aprobada a redacción do Estatuto de Autonomía de 1936. |
PRAZA_9179 | Manuel Reigosa advirte de que "imos estar vixiantes cos títulos que se implantan para que non estean repetidos". A pasada semana a Xunta abriu o período de consulta pública para a futura lei que permitiría operar á Universidade Internacional da Empresa, impulsada por Abanca | A lei obriga a que, no caso de crearse unha nova universidade, as titulacións ofertadas non poden ser "reiterativas" respecto das existentes nos tres centros públicosA mediados de decembro coñecíase que Afundación (obra social de Abanca) realizara no mes de outubro unha solicitude formal ante a Xunta para constituír a primeira universidade privada de Galicia, que se chamaría Universidade Internacional da Empresa. O centro tería o seu xerme no actual Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE), creado hai dous anos e o obxectivo de Abanca é que a nova universidade puidese comezar a operar no curso 2021-22.A Lei 6/2013 do Sistema universitario de Galicia obriga a que no caso de que se cree unha nova universidade, "o catálogo de titulaciones ofertadas deberá ser complementario e non reiterativo respecto de as titulaciones preexistentes e consolidadas". A proposta de Abanca é que a nova universidade funcionaría como unha fundación e que non podería obter beneficios. As titulacións que podería impartir non foron detalladas, pero en principio xirarían ao redor do ámbito empresarial e das ciencias sociais.Preguntado no Parlamento pola deputada do BNG Olalla Rodil, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, xa adiantara que para que este novo centro puidese operar sería necesario a aprobación dunha nova lei por parte da cámara de representantes. A pasada semana publicouse no portal de transparencia da Xunta o inicio dunha consulta pública para a aprobación dunha "Lei pola que se recoñece como universidade privada á "Universidad Internacional de la Empresa" con sede na Comunidade Autónoma de Galicia"."Se isto se aproba, imos estar vixiantes cos títulos que se implantan para que non estean repetidos", advirte Manuel ReigosaEn resposta ao inicio desta consulta pública, previa ao proceso de redacción e tramitación da nova lei, o Consello de Goberno da Universidade de Vigo, presidido polo seu reitor, Manuel Reigosa, amosou a súa "preocupación" por este proceo Reigosa sinalou que "albiscamos con preocupación a implantación dunha oferta formativa paralela e semellante á do Sistema Universitario de Galicia" e alertou de que "se isto se aproba, imos estar vixiantes cos títulos que se implantan para que non estean repetidos".Hai cinco anos, o ruxe-ruxe pola posible aterraxe en Galicia dunha universidade privada xa espertara as críticas dos tres reitores dos centros públicos galegos. Nese momento, o Consello de Universidades aceptara a adscrición do Centro de Estudos Universitarios Superiores de Galicia (Cesuga) ao centro privado e católico San Jorge de Aragón. USC, UVigo e UDC advertiran que os plans do centro privado irían contra as intencións do propio Goberno galego de racionalizar o mapa de graos e evitar a duplicidade de títulos. |
PRAZA_16325 | O PP presentou unha proposición non de lei para instar ao Goberno galego a instalar nos edificios públicos cambiadores de bebés que poidan usar pais e nais, pero rexeitou as emendas presentadas polos grupos da oposición, que buscaban ampliar a iniciativa ou elaborar un Plan de Escolas Infantís vinculadas aos centros de traballo | Os avances en materia de conciliación e fomento da igualdade entre homes e mulleres van chegando aos poucos, lentamente e de forma limitada. Este mércores falouse de conciliación no Parlamento. Na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego o Partido Popular presentou unha proposición non de lei instando ao Goberno galego "a promover a instalación nos edificios públicos da súa competencia de cambiadores de bebé en localizacións unisex co fin de que podan utilizarse tanto por parte dos país como das nais". "A corresponsabilidade no ámbito doméstico e familiar constitúe un dos grandes retos do século XXI e un dos ámbitos fundamentais para a promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres", dixo a deputada popular O resto dos grupos apoiaron o contido da iniciativa, que foi aprobada, pero abstivéronse ao non ter en conta o PP as emendas presentadas, que buscaban concretar, enriquecer ou ampliar a proposta. Os populares rexeitaron, por exemplo, elaborar un Plan de Escolas Infantís vinculadas aos centros de traballo. Ademais, Noela Blanco (PSdeG-PSOE) criticou que o PPdeG cualificase de "pioneira" unha medida que xa foi aprobada noutras comunidades, como Andalucía, e cidades como Madrid. E Paula Verao (En Marea) lembrou que o PP se opuxo en Boiro a que o Concello levase a cabo unha iniciativa semellante, proposta por Boiro Novo. En Marea demandaba instar ao Goberno galego a elaborar un Plan de Escolas Infantís vinculadas aos seus centros de traballo "que dea resposta ás necesidades de conciliación entre a vida laboral e familiar das e dos traballadores públicos" A proposta foi defendida por María Amigo Díaz, que destacou que "na actualidade a conciliación e a xestión de traballo e de tempos é un problema que debe ser resolto tanto por homes como por mulleres e debe ser facilitado polas distintas administracións". "A corresponsabilidade no ámbito doméstico e familiar constitúe un dos grandes retos do século XXI e un dos ámbitos fundamentais para a promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres", engadiu a deputada popular. Así mesmo, sinalou que que "os homes entraron no ámbito da xestión doméstica e dos coidados dos menores", destacando "o papel da paternidade responsable exemplificada no uso de medidas e permisos de conciliación por parte dos homes, que deben ser promovidos e fomentados". A pesar destas boas palabras, o Partido Popular non aceptou ningunha das emendas dos grupos da oposición. O PSdeG-PSOE solicitaba que "no caso de edificacións que non conten con locais unisex, nin sexa factible a adaptación dun local específico para tal fin, proceder á instalación dos cambiadores tanto nos aseos de homes como de mulleres" e pedía que a Xunta instase ao Goberno central a facer o propio nos edificios da administración do Estado en Galicia. O BNG instou a que se concretase unha data a para que a Xunta cumpra coa proposta debatida na Comisión. O Partido Popular rexeitou todas as emendas dos grupos da oposición Finalmente, En Marea demandaba instar ao Goberno galego a elaborar, en colaboración cos sindicatos máis representativos no ámbito da Xunta, un Plan de Escolas Infantís vinculadas aos seus centros de traballo "que dea resposta ás necesidades de conciliación entre a vida laboral e familiar das e dos traballadores públicos e de todo o persoal de empresas externas que desenvolvan a súa xornada laboral en centros da Xunta de Galicia". Na súa réplica, Amigo Díaz rexeitou as propostas da oposición, comentando que a emenda presentada por En Marea era "moi loable", pero afastábase do tema que se estaba a debater, recomendando que a presentase noutra iniciativa. |
NOS_22664 | SIT-FSI obtén case 63% dos votos e 20 representantes no comité de empresa de Citroën, CUT 4, UXT 4, CCOO 3 e CIG 2. Votaron 5.698 operarios, sendo a abstención cativa, de 2,2%. | O SIT-FSI, sindicato 'independente', revalidou a súa maioría absoluta no comité de empresa nas eleccións que veñen de concluír en PSA-Citroën de Vigo e na que estaban chamados a participar máis de 6.000 traballadores e traballadoras. A participación foi moi alta, votaron 5.698 persoas, sendo a abstención de 2,2%. O SIT, a quen algunhas centrais reprochan ser o "sindicato da empresa", atinxiu 20 representantes no Comité de Empresa, o mesmo número que posuía, e obtivo case 63% dos votos. Mantén así a ampla maioría da que fai gala desde hai case catro décadas na factoría de automoción viguesa. Como segunda forza, con 4 delegados, sitúanse CUT, que posuía 2, e UXT, que baixa de 6 a 4. CCOO e CIG manteñen os representantes que tiñan, 3 e 2 respectivamente. Desde a CUT xa mostraron a súa satisfacción cuns resultados que, afirman, demostran que "estes últimos catro anos a CUT fixo un sindicalismo de loita, confrontación e dignidade que non foi ben recibido pola empresa nin polo bloque sindical pactista. Fíxoselles complicado explicar as súas posicións fronte a outro sindicalismo posíbel que se abre camiño na empresa". |
PRAZA_2070 | O crebacabezas sirio eventualmente implica predicir unha partición de feito do país árabe, razón pola que as potencias externas están xogando as súas cartas para conformar un novo status quo rexional | Cunha crise de refuxiados sirios en Europa, os actores internacionais máis vinculados ao conflito sirio, en especial EUA, Rusia e Irán, comezan a deseñar un sórdido xogo de intereses dentro do complicado taboleiro xeopolítico en Oriente Próximo, onde Siria ocupa o epicentro de atención, anunciando así un novo pero incerto status quo rexional. O deseño de novas e inesperadas alianzas por mor da configuración de intereses creados en torno ao conflito sirio retrotrae na actualidade toda serie de dilemas trazados ao comezo do conflito que desangra ao país árabe desde 2011, en particular no referente ao futuro do réxime de Bashar al Asad e as consecuencias xeopolíticas do presumible novo status quo rexional. O presidente ruso Vladimir Putin estaría afianzando esforzos para crear unha conferencia internacional de paz para Siria, en paralelo cun aparente incremento da cooperación militar entre Moscova e Damasco, coa finalidade de loitar contra o Estado Islámico As declaracións realizadas a semana pasada polo chanceler ruso Serguei Lavrov de manifestar o apoio de Moscova ao réxime de Bashar al Asad en Siria na súa loita contra o Estado Islámico e outros grupos yihadistas, en particular a Fronte Al Nusra, parecen deixar entrever que algo está movéndose no tráxico crebacabezas sirio. Neste sentido, o presidente ruso Vladimir Putin estaría afianzando esforzos para crear unha conferencia internacional de paz para Siria, toda vez diversas informacións aínda non confirmadas establecen un aparente incremento da cooperación militar entre Moscova e Damasco, coa finalidade de loitar contra o Estado Islámico. Esta posición do Kremlin semella levemente intuír unha reacción á decisión do presidente francés François Hollande de utilizar drones para atacar posicións do Estado Islámico en Siria. Con todo, o contexto actual anunciaría como Europa, sacudida pola peor crise humanitaria da posguerra en relación á masificación dos refuxiados sirios, tenta adiantar iniciativa claramente deseñada dende Washington vía OTAN e Alianza Atlántica, a tenor das posibilidades de amplitude dunha segunda fase da ofensiva trazada en novembro pasado polo presidente Barack Obama, dentro do seu plan para Siria, orientado a acabar non só co Estado Islámico senón tamén co réxime de al Asad. Putin move as súas pezas A eventual caída do réxime de al Asad é interpretada dende Moscova non só como un paso atrás no relativo aos seus intereses estratéxicos rexionais senón como o apéndice dun caos xeopolítico de maior amplitude en Oriente Próximo A eventual caída do réxime de al Asad é interpretada dende Moscova non só como un paso atrás no relativo aos seus intereses estratéxicos rexionais senón como o apéndice dun caos xeopolítico de maior amplitude en Oriente Próximo. Esta perspectiva semella igualmente aceptada polos aliados rexionais rusos, en particular Irán pero igualmente por parte dun novo socio xeopolítico, militar e económico como é o Exipto baixo o represivo réxime militar establecido polo xeneral Abdel Fatah al Sissi desde o golpe de Estado contra o goberno islamita en xullo de 2013. Durante unha visita a Moscova a finais de agosto, al Sissi, quen foi elixido como presidente exipcio a mediados de 2014, concretou con Putin diversos acordos estratéxicos en materia enerxética, xeopolítica e militar. Durante esta visita, Putin propuxo a Exipto como membro asociado á Unión Económica Euroasiática que Moscova impulsa con Kazajstán, Armenia, Belarús e Kirguizistán. Igualmente, o mandatario ruso anunciou que o seu país colaborará con Exipto na construción dunha planta nuclear, toda vez Rusia ansía posicionarse con forza nos proxectos de desenvolvemento e ampliación da Canle de Suez, concibido como un proxecto de gran calado estratéxico para Exipto. Paralelamente, o Kremlin semella observar a Exipto como un novo socio militar ante as dificultades de mantemento do réxime sirio, en particular pola repercusión que un cambio político abrupto e radical en Damasco signifique unha alteración estratéxica para Rusia, con especial incidencia no mantemento da base militar rusa establecida na localidade mediterránea siria de Tartus. Non se debe esquecer que Putin foi o primeiro mandatario internacional en visitar a al Sissi tras o golpe militar de 2013, nun momento en que Occidente mantiña unha actitude distante cara o novo réxime no Cairo, sancións internacionais mediante. Nesa conxuntura, al Sissi só mantiña o apoio tácito de Israel, Arabia Saudita e Qatar. Se ben posteriormente EUA e Europa avaliaron ao réxime militar de al Sissi, pasando por alto as violacións aos dereitos humanos coa represión contra os islamitas, Moscova xa tiña asentado un pe estratéxico como novo socio do réxime exipcio. Coas expectativas trazadas nesta eventual apertura dun eixe entre Moscova e O Cairo, Rusia e Irán fortalecen a súa cooperación tras anunciar a súa respectiva axuda militar ao réxime de al Asad, cuxas posicións militares vense cada vez mais limitadas a manter o seu cerco en torno á capital Damasco e outras provincias do oeste sirio, en particular a provincia de Latakia, de maioría alauíta, comunidade confesional que sostén ao clan al Asad dentro do complexo mosaico sectario sirio. Neste sentido, os alauítas, con pouco mais do 10% da poboación siria, mantén determinadas alianzas con outras comunidades sunnitas e xiítas atemorizadas polo avance do Estado Islámico e da fronte Al Nusra. Hizbulah semella igualmente decidido a tomar partido dentro do conflito sirio a través dunha maior determinación de loita contra os yihadistas do Estado Islámico Paralelamente, outros aliados do réxime de Bashar al Asad, como é o caso do grupo islamita libanés Hizbulah, semellan igualmente decididos a tomar partido dentro do conflito sirio a través dunha maior determinación de loita contra os yihadistas do Estado Islámico e de Al Nusra. Este contexto suxire igualmente advertir toda serie de complexas perspectivas e rivalidades existentes no seo das diversas faccións do islamismo político a nivel rexional. Os (des) equilibrios estratéxicos O crebacabezas sirio eventualmente implica predicir unha partición de feito do país árabe, razón pola que as potencias externas están xogando as súas cartas para conformar un novo status quo rexional En perspectiva, a inestabilidade siria afecta escenarios veciños como Líbano e Iraq, con complicados mosaicos étnicos e confesionais, e onde diversos actores externos pulan por manter intactos os seus intereses estratéxicos. Independentemente do que suceda co Estado Islámico e o propio réxime de al Asad, o crebacabezas sirio eventualmente implica predicir unha partición de feito do país árabe, razón pola que as potencias externas están xogando as súas cartas para conformar un novo status quo rexional. Neste sentido, Arabia Saudita, Turquía, Qatar e indirectamente Israel, estarían apostando por evitar unha maior influencia rusa e iraniana en Siria que signifique un desequilibrio do status quo rexional, onde Teherán poida sacar beneficios xeopolíticos. Arabia Saudita, Turquía, Qatar e indirectamente Israel, estarían apostando por evitar unha maior influencia rusa e iraniana en Siria que signifique un desequilibrio do status quo rexional Este aspecto inclúe a perspectiva de qué facer cos refuxiados sirios que foxen dun conflito que provocou máis de 250.000 mortes desde 2011. Por tomar un exemplo: a negativa oficial das "petromonarquías" do Golfo Pérsico, en particular Arabia Saudita, Kuwait, Qatar, Emiratos Árabes Unidos e Bahrein, de acoller a refuxiados sirios, a diferenza doutros países que se viron desbordados pola afluencia destes refuxiados, en particular Turquía, Líbano e Xordania, creou un nivel de indignación no mundo árabe, en particular a través das redes sociais, ferramenta chave de difusión de ideas, tal e como se viu na degradada Primavera árabe que curiosamente tivo en Siria un bastión simbólico de expresión cando comezou o conflito en 2011. A negativa oficial das "petromonarquías" do Golfo Pérsico de acoller a refuxiados sirios creou un nivel de indignación no mundo árabe, en particular a través das redes sociais Malia enviar fondos caritativos, as "petromonarquías" lexitiman a súa posición de non aceptar refuxiados sirios ante os presuntos temores de desequilibrio demográfico dentro dos seus respectivos países, así como pola presunta infiltración de grupos radicais entre os refuxiados, o cal podería intensificar aínda máis conflitos seculares dentro do mundo islámico, en particular o existente entre as comunidades sunnitas e xiítas. Uns temores intuídos por Turquía, un dos países que conta con maior cantidade de refuxiados sirios, aproximadamente dous millóns de persoas. Entre outras razóns, o goberno de Recep Tayyip Erdogan, sumido nunha forte crise política con expectativas electorais en portas, tenta evitar un reforzamento das milicias kurdas espalladas desde o Norte de Iraq e o sueste turco ata Siria. Esta milicias kurdas alcanzaron notables éxitos na súa loita contra o Estado Islámico, tal e como se viu fai uns meses pola súa resistencia na localidade de Kôbane, ao norte sirio fronteirizo con Turquía. No fondo, Ankara quere evitar un reforzamento xeopolítico da causa kurda que eventualmente procree a posibilidade de dar curso a unha tentativa soberanista independente, tomando en conta a indefinición de posicións dentro do conflito sirio, alterando así os intereses xeopolíticos turcos. Velaí a renovación da loita contra a guerrilla kurda do PKK, anunciada por Erdogan en agosto pasado. Ankara quere evitar un reforzamento xeopolítico da causa kurda. Velaí a renovación da loita contra a guerrilla kurda do PKK, anunciada por Erdogan en agosto pasado Pola súa banda, o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu, fixo causa común coas "petromonarquías" ao declarar que o seu goberno non aceptará refuxiados sirios debido ao "perigo de radicalización interna" dentro do igualmente complexo mosaico étnico e confesional existente entre Israel e Palestina. No fondo, a preocupación de Tel Aviv igualmente tradúcese en factores de equilibrio demográfico que poñan en perigo a supremacía xudía a nivel estatal. Resulta igualmente curioso o feito de que, a diferenza de al Qaeda, considerado como o seu rival no corazón do yihadismo rexional, o Estado Islámico nunca lanzou algunha ofensiva, verbal ou terrorista, contra obxectivos israelís, así como tampouco proclamou publicamente o seu apoio á causa palestina. Unha posición levemente similar á dun Netanyahu que a penas realizou declaración algunha sobre o Estado Islámico, que permita intuír en qué medida o grupo yihadista é unha ameaza real para o Estado israelí. Estas perspectivas fortalecen as especulacións cunha irónica e indirecta conxunción de intereses entre Israel e o Estado Islámico, no sentido de debilitar a integridade estatal siria, tradicional inimigo histórico israelí, e en particular do réxime de al Asad. Estas perspectivas fortalecen as especulacións cunha irónica e indirecta conxunción de intereses entre Israel e o Estado Islámico, no sentido de debilitar a integridade estatal siria Doutra banda, Irán comeza a observar que a súa posición diplomática e xeopolítica pode claramente aumentar a súa capacidade de influencia a nivel rexional, en caso de lograr crear un marco de actuación contra o Estado Islámico, facendo causa común cos obxectivos occidentais. Todo iso axuntado aos avances do pacto nuclear alcanzado en xullo pasado en Viena e as expectativas dunha hipotética apertura de relacións con EUA, toda vez en Teherán proliferan as misións diplomáticas e de negocios por parte de países occidentais, particularmente europeos, coa finalidade de aproveitar as vantaxes de apertura do mercado enerxético iraniano. O ascenso emerxente de Irán está creando unha forte polarización a nivel rexional, en particular con respecto a Arabia Saudita, Qatar e Israel, cuxas posicións comezan a cohesionarse en torno a recrear unha especie de fronte anti-iraniano en Oriente Próximo. O ascenso emerxente de Irán está creando unha forte polarización a nivel rexional, en particular con respecto a Arabia Saudita, Qatar e Israel No apartado de Exipto, o réxime de al Sissi sempre observou a Irán como unha ameaza a súa seguridade, en particular pola afinidade de intereses entre Teherán e a Irmandade Musulmá que gobernou Exipto entre 2012 e 2013. Con todo, o marco de cooperación entre Exipto e Rusia pode significar, a mediano prazo, un eventual temporizador das relacións entre O Cairo e Teherán, dentro da estratexia rusa por adiantar alternativas estratéxicas en Oriente Próximo ante a cada vez menor influencia occidental, e particularmente estadounidense, na rexión. Esta mesma perspectiva obsérvase no diletante e non menos incerto achegamento entre Rusia, Arabia Saudita e Qatar, en principio motorizado polas perspectivas do mercado petroleiro. A eventualidade dunha apertura entre Washington e Teherán crea fortes preocupacións en Riad e Doha, tomando en conta a alteración do equilibrio estratéxico entre rivais aparentemente irreconciliables como son Irán, Arabia Saudita e Qatar, incluíndo ás demais "petromonarquías" do Golfo Pérsico, que recrean o secular e histórico conflito entre xiítas e sunnitas dentro do mundo islámico. A intervención militar saudita en Iemen está claramente orientada a frear as perspectivas de que Teherán gañe posicións neste enclave estratéxico entre o Golfo Pérsico e o Golfo de Adén, tomando en conta os contactos iranianos coa comunidade houtí iemenita actualmente no poder. Por tanto, está por ver se Moscova ten a capacidade suficiente para contemporizar as rivalidades existentes entre Irán e o "eixe sunnita" aparentemente liderado por Arabia Saudita, Qatar e Exipto, en aras de crear un novo status quo rexional ante as expectativas de retirada xeopolítica e militar por parte de EUA. Rusia semella xogar a carta siria como reválida do que considerou como a intromisión occidental, vía Washington e a OTAN, en Ucraína Neste sentido, Rusia semella xogar a carta siria como reválida do que considerou como a intromisión occidental, vía Washington e a OTAN, en Ucraína e a periferia xeopolítica rusa desde a caída da presidencia de Viktor Yanúkovich en Kiev (febreiro de 2014). Moscova ten fortes intereses xeopolíticos en Siria, país que é socio militar e enerxético ruso, ademais de albergar a única base militar rusa no Mediterráneo, a do porto sirio de Tartus, que prové de abastecemento á Mariña rusa. A anexión rusa de Crimea en marzo de 2014 como consecuencia do conflito ucraíno, revitalizou históricas teses xeopolíticas rusas de apertura de canles de comunicación entre o Mar Negro, o Mediterráneo e Oriente Medio. Isto intensificou o nivel de relacións entre Rusia e Turquía, feito que crea preocupación en Washington, Europa e a OTAN, recreando así un clima de "guerra fría" en plena degradación do interregno da "posguerra fría" iniciada trala desintegración do campo soviético. A conxunción de intereses entre Rusia e Turquía desde 2012 permitiu igualmente ampliar as expectativas de autonomía turca dos imperativos xeopolíticos atlantistas A conxunción de intereses entre Rusia e Turquía desde 2012 permitiu igualmente ampliar as expectativas de autonomía turca dos imperativos xeopolíticos atlantistas, tomando en conta o consecuente achegamento de Ankara cara China e as bases de cooperación establecidas anteriormente por Erdogan con Irán. Dentro da complexa rede de alianzas e rivalidades existentes con crebacabezas de Oriente Próximo, Putin deberá igualmente nivelar as friccións establecidas entre Turquía e Exipto desde o golpe militar de al Sissi contra a Irmandade Musulmá, movemento que mantén fortes afinidades co partido islamita turco AKP de Erdogan, no poder desde 2003. A pregunta: qué facer con Bashar al Asad? Aínda que a posición turca á hora de manter a Bashar al Asad no poder en Damasco non comulga completamente cos intereses rusos, o Kremlin acelera os seus contactos con Teherán á hora de conxuntar intereses xeopolíticos orientados a tentar manter ao réxime de Bashar al Asad en pé, aínda que non se sabe se con el mesmo como presidente ou ben apostando por outros actores. No marco dos recentes movementos de Putin para concretar unha especie de Plan Siria que desestime o plan Obama de finais de 2014, o propio Bashar al Asad anunciou a súa intención de negociar con actores non radicais dentro do complexo conglomerado da oposición siria, nunha clara intención por gañar tempo e aliados, sempre baixo o amparo de Moscova e Teherán. Volveu a colocar no centro do tapete a pregunta inicial de 2011, cando estalou o conflito sirio: que facer co réxime de Bashar al Asad? Pero aínda que estas opcións xa foron trazadas infrutuosamente no pasado, as interrogantes do contexto actual son diametralmente similares das que se formularon en febreiro de 2011, cando comezou a guerra en Siria. A crise de refuxiados sirios en Europa e o fait accompli ilustrado no reforzamento do Estado Islámico como actor non estatal con cada vez maior dimensión rexional, volveu a colocar no centro do tapete a pregunta inicial de 2011, cando estalou o conflito sirio: que facer co réxime de Bashar al Asad? |
NOS_21633 | A Mesa e a asociación ambientalista denuncian o que consideran que é un claro exemplo de "discriminación e chantaxe" lingüística. | A Xunta de Galiza empraza nun escrito a Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (Adega) a que lle achegue en castelán documentación que os ambientalistas lle remitiran en galegono seu trámite para ser declarada de utilidade pública. Unha petición que a Xunta lle fai argumentando que é "coa fin de evitar dilacións na tramitación do procedemento" . Así o denuncian tanto Adega como A Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), que cualifican estes feitos de "discriminación, imposición e chantaxe lingüistica" por parte da Xunta na tramitación dun expediente administrativo. A Xunta xustifica a súa petición, afirman, en que o Ministerio de Facenda, que debe emitir informe, "está a requerir a documentación en lingua castelá". Mais A Mesa e Adega lembran que o órgano substantivo para resolver este procedemento é a Xunta, "e por iso sorpréndenos que sexa a propia administración galega a que inste a usar o castelán fronte ao galego para "axilizar trámites". O artigo 36.1 da Lei 30/1992 de Réxime Xurídico e Procedemento Administrativo Común establece que a lingua dos procedementos tramitados pola Administración Xeral do Estado será o castelán. Porén o anterior, os interesados que se dirixan aos órganos da Administración Xeral do Estado con sede no territorio dunha Comunidade Autónoma poderán tamén empregar a lingua que sexa cooficial nela. Neste caso, o procedemento tramitarase na lingua elixida polo interesado. (…)". A maiores desta "falla de cumprimento da legalidade" polo Ministerio de Facenda, que en base ao artigoanterior terían que admitir o galego, para Aega e A Mesa resulta "intolerábel o desleixo da Xunta no cumprimento da súa función normalizadora". Consideran que debería se a primeira defensora da legalidade e valedora dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes, mais que se comporta como "cómplice coa actitude discriminatoria de Facenda". |
NOS_43440 | As Brigadas deseucaliptizadoras reciben o premio Lush Spring na categoría de proxectos internacionais. | Os Lush Spring Prize naceron para apoiar, visibilizar e premiar aquelas iniciativas e proxectos que apostan na natureza e medio ambiente. Entre eles reparte 200.000 libras esterlinas: Neste 2019 o Lush Spring Prize premia 11 iniciativas de 9 países. Unha delas, da Galiza, as Brigadas deseucaliptizadoras que impulsou Verdegaia. A organización, que fixo entrega dos premios en Londres, destaca que a través destas brigadas máis de 400 persoas participaron en 25 actuacións en diferentes partes da Galiza. "Traballando en conxunto podemos producir un impacto positivo na rexeneración dos hábitats naturais e como se pode transformar o pesimismo xeralizado en participación activa". Entre as iniciativas premiadas nesta edición está o proxecto de mellora das condicións de vida de pequenos agricultores a través dunha agricultura sustentábel e ecolóxica; ou a 'Alianza Ceibo', formada por membros de catro nación indíxenas do occidente da mazonia e que está implicado en acción de defensa da súa cultura e territorio. O premio internacional chega ás portas da II Deseucaliptización simultánea polos montes galegos, que impulsa Couda de Raíces. Na primeira das edicións elimináronse 205.000 exemplares de eucaliptos e acacias eliminados nunha iniciativa que implicou máis de 360 persoas |
NOS_10138 | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insta o Goberno de Sánchez a non facer agasallos aos herdeiros do ditador Francisco Franco. | A alcaldesa coruñesa, Inés Rey, adiantou a decisión do seu Goberno de recorrer a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña sobre o Pazo de Meirás que ratifica o carácter público do inmóbel mais que obriga a indemnizar os herdeiros do ditador, Francisco Franco, polos gastos contraídos desde 1975, ao considerar que actuaron de "boa fe". As palabras da rexedora coruñesa chegan tras coñecerse a decisión da Avogacía do Estado e da Xunta da Galiza de aceptar o auto. A este respecto, Rey sinala que respecta "as posicións procesuais de todas as partes" mais "entendemos que é susceptíbel de ser recorríbel" a resolución. "É complicada de entender e de explicar esa parte da sentenza onde se fala de posesión de boa fe e esa obriga de indemnizar quen non era lexítimo dono do pazo", engadiu Rey, lembrando que agarda que o Tribunal Supremo admita o recurso de casación, demandado de maneira insistente polo movemento da memoria. O Concello da Coruña é a terceira Administración pública que manifesta a súa vontade de recorrer a última sentenza sobre Meirás. Así, con anterioridade, a Corporación de Sada fixo público un anuncio nesa mesma dirección, tras cualificar o veredicto de "inaudito". Na mesma liña, o Goberno da Deputación da Coruña sinalou na pasada cuarta feira accións contra a resolución da Audiencia, ao entender que os herdeiros do ditador "xa se beneficiaron durante moitos anos a nivel particular do uso dun edificio público".Ana Pontón, en Meirás A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, desprazouse hoxe a Meirás (Sada) para instar o Goberno do Estado a presentar un recurso de casación contra a sentenza e a desmentir con feitos as dúbidas que están xurdindo sobre a súa actuación no proceso. "Son cada vez máis as voces que alertan sobre un posíbel pacto oculto entre Goberno e os Franco para non presentar ese recurso e agardamos que, pola vía dos feitos, se desminta esta posibilidade recorrendo a sentenza e fechando o camiño a calquera agasallo xurídico aos que se beneficiaron durante décadas dun espolio e que intentan facerse de novo con inmóbel roubado", salientou Pontón. "Non podemos pagar dúas veces pola devolución dun ben roubado e por iso reclamamos ao Goberno de Sánchez que rectifique a decisión de non recorrer esa sentenza vergoñenta desde o punto de vista democrático pero que, ademais, supón un agasallo xurídico para a familia Franco", concluíu a dirixente nacionalista. |
NOS_46498 | A Axencia Europea do Medicamento considera que os casos "non xeran preocupación". | A Axencia Europea do Medicamento ( EMA, polas súas siglas en inglés) recibiu informes sobre 11 casos de tromboses con trombocitopenia após a vacinación con Pfizer, e 2 tras o uso de Moderna no Espazo Económico Europeo (EEE), integrado pola UE, Noruega, Islandia e Liechtenstein. Con todo, de momento non vai abrir ningunha investigación específica e seguirá vixiando estes episodios, segundo unha fonte do axente regulador. No caso de Pfizer, notificáronse até o pasado 13 de abril un total de 11 casos de tromboses con trombocitopenia nesa zona de Europa, onde se administraron ao redor de 60 millóns de doses deste soro. No caso de Moderna, inoculáronse máis de cinco millóns de doses e só notificáronse 2 casos de tromboses con trombocitopenia no EEE. Con estes novos episodios rexistrados, xa son máis de 300 os casos recolleitos pola rede europea de procesamento de datos sobre reaccións adversas de medicamentos Segundo esta mesma fonte, a EMA "está monitoreando de preto os casos notificados despois do uso das vacinas de Covid-19 de Pfizer-BioNTech) e Moderna", aínda que "considera neste momento que non hai sinais de alarma" sobre o risco de coagulación sanguínea con estes fármacos. "A modo de comparación, con Vaxzevria (nome comercial da vacina de Astrazeneca) notificáronse 142 casos de tromboses con trombocitopenia no EEE até o 13 de abril e administráronse máis de 17 millóns de doses", engade a EMA. Con estes novos episodios rexistrados, xa son máis de 300 os casos recolleitos pola rede europea de procesamento de datos sobre reaccións adversas de medicamentos no espazo económico europeo, nos que as persoass vacinadas contra o coronavirus desenvolveron coagulación sanguínea e un nivel baixo de plaquetas. incluíndo os casos europeos, divide a cifra total entre 25 casos rexistrados con Pfizer e cinco con Moderna, ademais dos 287 con AstraZeneca e oito con Janssen. |
PRAZA_11069 | O PSdeG lanza unha campaña nas redes sociais reclamando a gratuidade do material escolar e anima ás familias a difundir os seus elevados gastos malia un sistema de préstamo que non chega a toda a rapazada | No balance da década de Feijóo á fronte do Goberno da Xunta, o PSdeG fai un repaso pola política de austeridade e os recortes que afectaron, sobre todo, aos servizos públicos. Entre eles, advirten tamén nunha campaña nas redes sociais, o ensino, ao que a Xunta "destina hoxe 180 millóns de euros menos que hai dez anos". Entre as consecuencias, din, 1.500 profesores menos, 40 unidades menos en Infantil e Primaria neste curso e milleiros de pequenos sen praza en escolas infantís públicas. Ademais, os socialistas aseguran que "Feijóo rexeita volver aos libros de texto gratis, pero baixa os impostos aos patrimonios de máis de 700.000 euros". O PSdeG reclama "libros de texto gratis" e difunde tíckets enviados por familias nos que se certifica o elevado gasto do material escolarOs socialistas denuncian que "Feijóo desmantela a educación pública" e que o gasto medio en libros de texto por neno ou nena elévase aos 200 euros en Primaria e aos 250 euros en Secundaria. Así, lanzou unha campaña na que pediu a familias que amosasen nas redes sociais os tíckets dos seus gastos por material escolar. O resultado, co cancelo #LibrosDeTextoGratis, varias facturas que revelan o importante gasto que supón para as familias a volta á escola dos pequenos. 256 euros polos manuais de 1º da ESO e un libro de 3º, máis de 120 euros para 2º de Primaria en Moaña ou 185 euros para os libros de 3º de Primaria. As redes amosan o custo da volta ao colexio: 256 euros polos manuais de 1º da ESO ou 150 por só tres libros en PrimariaDesde Cangas, denúnciase tamén un gasto de máis de 150 euros por só tres libros de 2º de Primaria ou máis de 55 para un só libro "para nenos de dous anos". Porque catro anos despois de que a Xunta retomase os préstamos, alumnado do ensino público segue a pagar por este material indispensable. En 2015, a Consellería de Educación modificou o modelo que implantara o Goberno de Feijóo, o da "gratuidade solidaria" que tantas críticas levara. Instaurou outro sistema de préstamo que, baixo a denominación de Fondo Solidario, no curso pasado repartiu de forma gratuíta máis de 631.000 libros de texto e alcanzou máis de 108.000 alumnos de 3º a 6º curso de Primaria e dos catro cursos da ESO. Son, segundo a Xunta, aproximadamente sete de cada dez. Pero non chega a todos os cursos nin, como se ve, a todo o alumnado. A Xunta destina 12,1 millóns de euros neste curso para vales de material e axudas e compras de libros de texto, que chegan a 7 de cada 10 escolaresPara este curso, á espera dos datos de beneficiarios, o importe total destinado pola Consellería para o financiamento do programa é de case 12,1 millóns de euros, 5,4 para os vales de material escolar, 4,6 para as axudas de libros de texto, e 2,1 para a adquisición por parte dos centros de libros complementarios aos existentes no Fondo Solidario para garantir a súa dispoñibilidade ao alumnado cuxo nivel de renda lle dea dereito a este. Case a mesma cantidade que no curso anterior e abranguendo os mesmos cursos e semellante cifra de alumnado. A mudanza levada a cabo polo PP, que acabou en 2009 coa gratuídade que implantara o goberno bipartito de PSdeG e BNG, "foi unha decisión ideolóxica". Así o di Luís Álvarez, deputado do PSdeG e ex-delegado provincial en Lugo da Consellería de Educación, que cre que "a mellor proba de que aquilo foi un erro e unha precipitación é que a propia Xunta acabou co seu primeiro modelo". "O PP pasou dun dereito, dun sistema universal, a un sistema de axudas; quitar un dereito é unha decisión ideolóxica", insiste Álvarez, que advirte de que o PP "inventou logo o da gratuidade solidaria, unha reutilización limitada e cunhas determinadas condicións". "Foi un erro suprimilo, tamén por planificación económica", engade. Luís Álvarez censura a "decisión ideolóxica" que supuxo eliminar a gratuidade dos libros de texto e lembra que o PP si a aplica na Comunidad de MadridPSdeG, ao igual que o resto da oposición, avoga pola volta á gratuidade universal e lembra que o PP "asume ese modelo alí onde goberna con outros partidos como Ciuadanos, como ocorre na Comunidad de Madrid". "É moi difícil de xustificar que o apliquen nuns lugares e non noutros", di. "É un modelo moito máis xusto, economicamente sustentable e máis eficiente porque das moito máis servizo por un investimento moi pouco superior ao actual", di Álvarez, que lembra, con ironía, "que todos os servizos públicos teñen un custo, claro que si". Respecto ao presunto poder das editoriais, Álvarez non cre que "teñan tanta capacidade como para tombar" modelos de gratuidade. "Defenden lexitimamente o seu negoci, pero de aí a que sexan quen de influír nesas decisións...", asegura. Ademais, volve lembrar o "importante esforzo" económico que para moitas familias supón a compra dos libros de texto. "O PP sempre responde que a cidadanía está de acordo co sistema porque por iso lles deron a maioría absoluta; que lles pregunten a ver se os seus votantes non aceptarían a gratuidade", di quen advirte de que "as propias anpas se organizan para facilitar o préstamo de material e evitar eses importantes gastos". "Se a propia sociedade se organiza, non é por capricho", remata. |
NOS_39641 | O sindicato denuncia que aínda está lonxe dos 1.150 euros que marcan 60% do salario medio estatal. | A suba do salario mínimo interprofesional (SMI) pactada esta semana entre o Goberno español e os sindicatos UXT e CCOO non acaba de convencer a todo o mundo. É o caso da CIG, que advirte de que o incremento pactado, de 1,5%, "dificulta o cumprimento" do compromiso de chegar aos 1.150 euros que representan 60% do soldo medio actual, e "non compensa" a perda de poder adquisitivo (a inflación aumentou na Galiza 3,9% o pasado mes de agosto). Neste senso, desde a central sindical consideran "raquítica" e "miserábel" unha suba que de desde o propio Ministerio de Traballo foi cualificada de "desconxelación", apuntan. O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Paco Sío, asegura que "con este pacto prodúcese unha escenificación que non é críbel e na que a patronal interpreta un desencontro co propio Ministerio cando os seus representantes participaron na comisión de expertas que avalou este incremento insuficiente". Nesta liña, Sío censura que de nada vale que o Estado español ratifique a actualización da Carta Social Europea, como fixo recentemente, se despois a incumpre "ás primeiras de cambio". Indica que no artigo 4 da devandita carta recoñécese "o dereito das persoas traballadoras a unha remuneración suficiente que lles proporcione a elas a ás súas familias un nivel de vida decoroso", e que o Comité de Dereitos Sociais de Europa estableceu en 60% do salario medio, que no Estado español sería de 1150 euros. Porén, o responsábel sindical explica que a comisión de expertas colleu como referencia para calcular o SMI os datos aportados pola Enquisa de Estrutura Salarial do ano 2018, que apunta a un salario medio anual de 24.009,12 euros ou a un salario mensual de 1.028 euros en 14 pagas, cando o salario medio mensual do último trimestre de 2020 foi de 1.899,9 segundo o propio INE. Polo tanto, apuntan, 60% dese salario neste 2021 debera ser de 1.139,94 euros, aproximadamente, uns 165 euros ao mes máis da suba salarial que acaban de aprobar. Mais a este incremento temos que engadirlle as diferentes subas do IPC nos anos 2021, 22 e 23 que se perderían ao aplicar o cálculo do ano 2018 sen ter en conta todas as subas que se van a producir. Pobreza laboral Na CIG alertan de que os asinantes do acordo, coñecedores da existencia deste compromiso, "vanlle roubar máis de 10% do soldo ás persoas traballadoras máis empobrecidas, que na súa maioría son as mulleres, a mocidade e as migrantes". Critican tamén que, mentres a maioría dos estados aumentaban o SMI en 2020, o Goberno español conxelouno, e no 2021 aplica unha suba moi por debaixo do IPC, facendo perder poder adquisitivo ás persoas traballadoras nun momento de crise como o actual. Ademais, denuncian que tanto o Banco de España como a CEOE veñen publicando informes "enganado e confundindo" a opinión pública sobre a suposta destrución de emprego pola suba SMI. |
NOS_26143 | O Ministerio de Fomento négase no Congreso a transferir a xestión das terminais de Alvedro, Lavacolla e Peinador a Galiza e defende unha estrutura en beneficio do "consolidado" aeroporto madrileño. | O Ministerio de Fomento oponse a calquera mínima transferencia ou traspaso de competencias aeroportuarias sobre Peinador, Alvedro e Lavacolla a Galiza. A Secretaria Xeral de Transporte, Carmen Librero, afirmou mesmo que carece de sentido transferir esas competencias ás autonomías pois, afirmou "un todo é mellor que as partes". "É innecesario, incómodo e moi caro que os galegos teñan que pasar por Madrid para calquera conexión peninsular ou con outras partes do mundo" Esta foi a resposta dada desde o executivo á petición de Rosana Pérez, deputada do BNG, que solicitaba no Congreso que Galiza dispuxese de competencias e capacidades "para mellorar a súa eficacia, programar e coordenar as rutas desde Lavacolla, Peinador e Alvedro". Consolidados e consolidarores Librero mesmo deixou claro, din no BNG, que existen aeroportos consolidados e consolidadores, e que o aeroporto de Madrid-Barajas é o aeroporto consolidado que "o resto temos que alimentar". Para o nacionalismo galego iso supón defender un modelo centralista, con aeroportos radiais que deben alimentar ao "consolidado" que é Madrid. Un modelo que a deputada do BNG criticou porque está a prexudicar seriamente a Galiza. Non á privatización Enfatizou Rosana Pérez que moi perto "está o aeroporto de Sá Carneiro, en Porto, que incrementa o número de pasaxeiros a medida que os perde Galiza". Desde logo, amosou o "total rexeitamento do BNG" á privatización de AENA porque empeoraría a situación, e explicou que a mellora da eficacia dos tres aeroportos galegos pasa porque Galiza os xestione a fin de estabelecer as rutas, facer unha programación coordinada e que atenda ás necesidades sociais e económicas dos galegos e das galegas". |
NOS_2916 | O documento, escrito por Enfermeiras Eventuais en Loita, denuncia as malas condicións laborais ás que as profesionais se ven sometidas por parte da Administración. | O colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, formado por máis de dez grupos locais da área sanitaria galega, vén de asinar o Manifesto pola fin da Precariedade na Enfermaría Galega, un documento ao que tivo acceso Sermos Galiza e no cal arremeten contra a falta de garantías e a precariedade laboral á que se ven sometidas. No texto, faise alusión ás trabas existentes para conciliar o traballo coa vida familiar e social, a imposibilidade de coller vacacións ou permisos laborais, ás ameazas de penalizacións nas listas de contratacións e a continua mobilidade dos servizos. Unhas condicións que perduran desde hai doce anos e que na actualidade, tal como aseguran, sofren dez mil enfermeiras. Desde o colectivo consideran que a actuación da Administración non é a máis adecuada. Alegan que esta ten "escravizadas e sen dereitos" miles de profesionais cualificadas que non contan con contratos estábeis e ás que poden recorrer "a calquera hora do día", dado que "se non, non comen". Ademais de reivindicar unhas dignas condicións de traballo, Enfermeiras Eventuais en Loita tamén avoga pola configuración dunha "sanidade pública, universal e de calidade, como alicerce básico e fundamental do Estado de Benestar", e polo empoderamento da Enfermaría como unha disciplina recoñecida no terreo da investigación e da docencia. Co obxectivo de acadar todas estas demandas, desde o manifesto piden o apoio popular contra o desleixo administrativo, alegando que a cidadanía non debería "agardar a que un problema lles afecte directamente para ser sensíbeis á realidade que nos rodea. |
NOS_3672 | Jesús Lence di nunha entrevista en V Televisión que "non hai máis que visitar as súas vivendas" para comprobar, afirma, "que a maioría vive moi ben". A Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego continuará co calendario de mobilizacións: hoxe, en Vilalba. | Jesús Lence, propietario de Leite Río S.A, afirma nunha entrevista en V Televisión que "os gandeiros tampouco están tan mal como din", engadindo que "non hai máis que visitar as súas vivendas e medios de transporte" para "ver que a maioría están moi ben". O presidente da envasadora luguesa que deixou sen recollida a máis dunha vintena de explotacións o pasado mes tamén defendeu a actuación do goberno español na crise do leite galego, dicindo que a ministra de Agricultura pon toda a vontade e lembrando que este sector "é competencia das autonomías". Non é a primeira vez que no marco desta crise Lence fai declaracións polémicas. A comezos deste mes dixo que o que "están a montar" coas tractoradas "é porque gostan de ir de festa e non polos prezos baixos", espetou o empresario lugués. Mobilizacións A Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego continuará co calendario de mobilizacións a prol do futuro para o sector os vindeiros días 20, 21, 25 e 27 de agosto, nas comarcas de Ordes, Terra Chá, Sarria e Curtis, respectivamente. Asemade, a o 3 de setembro está convocada unha gran tractorada en Santiago de Compostela. Esta quinta feira haberá concentración de tractores ás 11 horas na estación de autobuses de Vilalba. Manifestación a pé seguida de tractores polas rúas Campo de Ponte, Pravia, Galicia, Av. Terra Chá e remate diante do edificio da Xunta, onde se lerá un manifesto reivindicativo. |
NOS_51188 | Bueu saúda con cultura o Día Mundial do Teatro. Na súa acepción máis extensa, sempre en relación coas letras: do cancioneiro infantil de tradición oral á poesía de vangarda. Esta terza feira, 27 de marzo, e dentro do ciclo Bueu Espazo para a Cultura -organizado polo concello coa colaboración da Deputación de Pontevedra- ofrece a representación de As historias do avó Manuel e mais un recital a partir de Manuel Antonio. | As historias do avó Manuel ensarilla cancións, historias e ditos infantís de orixe popular e oral na historia da relación entre unha cativa e o seu avó. A compañía Migallas Teatro levarao ás táboas do Centro Social de Bueu ás 12 da mañá. De serán, a poesía ocupará o mesmo escenario. A Travesía poética por De catro a catro xuntará, ás oito, as poetas naturais da vila morracense Miriam Ferradáns (1982) e Lucía Novas (1979) e mais Daniel Costas (Moaña, 1981). A escusa é o título emblemático da lietratura vangardista galega, De catro a catro (1928), de Manuel Antonio. Como fin de festa haberá micro aberto para quen queira amosar a súa habelencia cos versos. |
NOS_19981 | Vén de chegar de América e de visitar no cárcere de Lledoners os presos políticos cataláns. Voltou a Bruxelas e, entrementres, atendeu Sermos Galiza aínda coa resaca da aprobación da resolución contra o franquismo por parte do Parlamento Europeo. A eurodeputada do BNG, Ana Miranda (Cuntis, 1971), forma parte da Comisión de Peticións, da de Economía, da de Liberdades e da de Pesca, sempre co ollar posto no internacionalismo, no que acontece en América Latina, no avance do fascismo e da represión e en todo o que ten a ver cos pobos oprimidos. Eis un extracto da entrevista publicada no número 321 do semanario. | Que supón para vostede a aprobación da resolución contra o franquismo da que foi autora no Parlamento Europeo? Supón todo un traballo colectivo, de moita xente, no sentido de que hai unha reivindicación social de moitas asociacións, de familiares, unha sensibilidade que quedou oculta e que non se deixa ver porque se reprime e se silencia. "El silencio de los otros" dise nunha recente película que sacou a asociación da querela arxentina, é dicir, que calen e non molesten para que pareza que esa etapa pasou. A resolución chega no contexto do franquismo pos-Franco, das cunetas que non se buscaron, dos corpos que non apareceron, de todo o que supuxo a represión… e nun contexto de avance de neofascismo en toda Europa. Como xorde? Xorde cando a eurodeputada Eleonora Forenza é atacada nunha manifestación antifascista en Bari (Italia). A partir de aí nace a resolución. O meu grupo fala comigo para que sexa autora, en tanto que son membro da Comisión de Liberdade, e poñémonos de acordo as tres deputadas dos tres grupos que a impulsamos: Eleonora Forenza, por GUE; SorayaPost, por S&D e eu polos Verdes-ALE. Acheguei a parte sobre o franquismo e fun a autora da redacción dos cinco parágrafos, aínda que outra xente asinase a última hora. Quixemos facela as tres xuntas para irmos con máis forzas. E por que as tres? Eleonora é unha muller absolutamente loitadora, Soraya, como filla de xitana e xudeu, foi sempre discriminada e eu, dada a loita antifascista que leva o BNG na pel. Foron 15 días de negociacións duras co EPP, co grupo liberal e cos demais grupos. Nesa negociación dixéronnos que non podiamos poñer casos concretos por Estado, era a maneira en que o PP e Ciudadanos podían evitar as referencias ao franquismo. A sorpresa foi que a resolución se aprobou con todas as emendas e cun 90% da Cámara presente. Cremos que, no fondo, non houbo mandato de voto nos partidos grandes e que cadaquén votou o que quixo. E, precisamente por iso, houbo xente que non foi votar para que non se lle vise o posicionamento, fose para ben ou para mal. En definitiva, sentín unha ilusión tremenda… Ese momento en que nos levantamos e ensinei os cartaces ["Fascismo Nunca Máis" e "Ilegalización Fundación Franco"] foi inevitábel, pediumo o corpo cando falou un eurodeputado que é neonazi, antifeminista e xenófobo. Vén de visitar, xunto a Ana Pontón, os presos políticos cataláns encarcerados en Llenoders. É a segunda vez que os visita. Como foi o encontro? Foi moi emotivo velos tan fortes. Pedíronnos que transmitamos que non teñen medo, que teñen a razón e que ven con claridade que fixeron o correcto, que non cometeron delito ningún e que van tirar para adiante porque saben que vai mellorar a vida dos cataláns e non só, senón tamén da cidadanía do conxunto do Estado porque se algo vai supoñer a ruptura co réxime do 78 é a cuestión catalá, o traballo que fixeron e fan as compañeiras e compañeiros cataláns. Transmitímoslles todo o apoio do BNG e falamos dúas horas. Oriol é un líder total. Regaleille un libro de Mandela, que recolle o seu último discurso, en francés, e leveille outro, co No Pasarán, e tamén un texto de Víctor Hugo. Xa lles agasallara o Sempre en Galiza na visita anterior. Eles están vendo que o círculo se está fechando, que a sentenza está xa escrita e que hai unha aposta para que sexan condenados, para os criminalizar. Cren que ese relato está escrito e están preparándose para o xuízo. Saben que vai ser un xuízo inxusto. Nunha visita ao cárcere, a eurodeputada sueca dicía que a prisión preventiva non dura o que dura no Estado español. Por outra banda, as presas e presos quéixanse de que queiran humillalos e deshumanizalos, de facelos pasar por monstros. Dicía Oriol que a imaxe que dan deles é terríbel cando o único que fixeron foi cumprir un programa electoral. Nesta situación, propoñemos unha misión de observadores do Parlamento Europeo cando sexa o xuízo e que a Comisión de Liberdades se preocupe deles en tanto que foron eurodeputados e iso xa fala dos demais. Buscaremos todos os fíos legais para botarlles unha man. [Podes ler a entrevista íntegra no número 321 de Sermos Galiza, á venda nos quiosques e na loxa] |
NOS_48453 | Todo indica que o pasado domingo, a fábrica de Celulosas da ría de Pontevedra sufriu un escape mais a empresa non confirmou nin avisou ao goberno municipal do acontecido. A Asociación pola defensa da Ría recibiu varias chamadas de alerta e denuncia o perigo do complexo Ence-Elnosa e da Xunta que esixa responsabilidades á emprea. | A Asociación pola Defensa da Ría recibiu varias chamadas no transcurso deste domingo día 11 avisando dun posíbel escape no complexo Ence-Elnosa. Sen poder confirma a información por parte da empresa, a Asociación sinala que "todo indica" que realmente ocorreu e acusa á empresa da fábrica de Celulosas de "falta de respecto cara á cidadanía e falta de transparencia no seu funcionamento". Desde o goberno municipal informaron que na xornada de onte, diversas persoas chamaron á policía local e ao 112 para denunciar o posíbel escape e alertaron das irritacións sofridas, en especial, por viciños do barrio da Parda. De feito, diante do posíbel perigo, policía local e bombeiros despregaron un dispositivo de emerxencia. A empresa xustificou a situación aludindo a un mal funcionamento dunha caldeira sen maior relevancia para a saúde pública. No entanto, desde o concello confirmaron que se produciu unha emisión de substancias tóxicas á atmósfera maior do habitual. A APDR manifesta, máis unha vez, que o emprazamento da Celulosa na Ría de Pontevedra supón un "grave perigo para o conxunto da cidadanía da bisbarra" e que se continúan sen poñer en funcionamento os protocolos que alertan á poboación no caso de escape. Segundo informaron desde o propio concello de Pontevedra, Ence non alertou ás autoridades municipais da incidencia acontecida na fábrica. Piden á Xunta que esixa responsabilidades aos directivos de Ence polo sucedido neste fin de semana e que poña as correspondentes sancións. A APDR esixe que o goberno galego tome medidas para evitar o risco que supón a presenza do complexo tan preto de núcleos poboacionais e impida a prorroga por máis alá do 2018. A Asociación diríxese tamén ao Concello de Pontevedra para que, na medida do que estea na súa man, sancione a Ence e impida que situacións como esta se volvan repetir. |
PRAZA_4207 | Nun dos informes que manexa a Xunta para convocar as eleccións, o xefe de Enfermidades Infecciosas do CHUAC prevé un "pequeno" rebrote en "2-3 semanas" e estima o seguinte cara a finais de xullo por, entre outros motivos, o "comportamento da poboación" no desconfinamento | O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expuxo este 13 de maio ás claras a intención política que o PP galego viña deixando entrever nas últimas semanas: celebrar as eleccións galegas o mesmo domingo de xullo que as vascas. Para facelo, o tamén líder do PPdeG reiterou que os informes sanitarios sobre a evolución do coronavirus en Galicia que manexa o Goberno galego sinalan que o "principio do verán" é "o momento de menor risco para facer as eleccións" nun contexto no que "o risco do rebrote vai crecendo" a medida que remate o verán, segundo as estimacións.Os informes que a Xunta remitiu este mércores aos partidos políticos da actual oposición -e despois, tamén á prensa- son cinco: un da Asesoría Xurídica e outros catro, médicos. Un dos que abordan a materia sanitaria está datado neste 13 de maio e asinado polo doutor Enríque Míguez Rey, xefe da Unidade de Enfermidades Infecciosas do complexo hospitalario da Coruña. As súas conclusións apuntan a dous rebrotes da pandemia neste 2020. O primeiro "sería esperable" nas vindeiras semanas. Concretamente, sitúao "nas 2-3 semanas próximas" e defíneo como "pequeno". O segundo, de "amplitude non predicible", estímao contra finais de xullo.Nun dos informes que manexa a Xunta para convocar as eleccións, o xefe de Enfermidades Infecciosas do CHUAC prevé un "pequeno" rebrote en "2-3 semanas" e estima o seguinte cara a finais de xullo por, entre outros motivos, o "comportamento da poboación" no desconfinamentoO doutor Míguez Rey basea as súas estimacións no coñecemento que actualmente existe sobre os contaxios do virus, pero tamén no "comportamento da poboación" fronte á pandemia. Sobre este aspecto, explica que ao hospital da Coruña está a achegar "máis dun caso" cada semana de "portadores asintomáticos" que dan positivo por covid-19 en proba PCR, a máis precisa, cando llela realizan antes dunha intervención cirúrxica."Se extrapolamos isto á poboación xa desconfinada" que "en xeral, non usa a máscara, non garda a distancia de seguridade" e "onde algúns/moitos non quererán facer corentena por motivos persoais ou económicos", indica, "enfrontámonos a un futuro inmediato incerto". "Simplemente", reflexiona o doutor, "malia á baixa circulación do virus na nosa poboación", haberá "lugar" para "rebrotes que non sexamos capaces de atallar en tempo e forma" e que propiciarán "pequenas ondadas". Trataríase, especifica, dunha "situación en acordeón". Para ilustrala, o doutor Míguez Rey cita un modelo matemático publicado nun informe do Imperial College de Londres o pasado 16 de marzo -na súa páxina 12- sobre os efectos de medidas como o confinamento na resposta á covid-19 en Gran Bretaña. Tamén apunta a unha presentación -páxina 38- de Paolo Surico e Andrea Galeotti, profesores da London Business School, igualmente datada no pasado marzo.O doutor Míguez Rey ve "facilmente esperable" un "rebrote máis duro" de "amplitude non precidible" e considérao "previsible" a partir "da terceira semana de xullo"Míguez Rey achega neste punto unha reflexión adicional. "Non sabemos por que uns pacientes case non contaxian" aínda que estean enfermos da covid-19 mentres que outros "actúan como hipercontaxiadores". Existen "exemplos" ao respecto, cita como un de Corea do Sur, país que cita como "modélico no control de brotes" e que, malia todo, "non foi quen de atallar un" no que "en quince días, tiveron a raíz duns casos un brote con varios milleiros e só unha paciente contaxiou a máis de mil". Ademais cómpre ter en conta, advirte, de que o número reprodutivo deste coronavirus -as persoas ás que contaxia cada persoa infectada" é "controvertido", sinala citando un artigo de Thomas V. Inglesby, profesor da Escola de Saúde Pública da Universidade Johns Hopkins, dos Estados Unidos."Se en toda esta ecuación introducimos as posibles chegadas ao principio do verán, coa relaxación das medidas aínda máis alá", o doutor Míguez Rey considera "facilmente esperable" un "rebrote máis duro do actual" cun "impacto pouco predicible" e no que "todo o logrado no ascenso (confinamento) se perda na baixada deste porto de montaña". Segundo a conclusión dese informe, daquela, "a partir do próximo mes de xullo podería haber un rebrote de amplitude non predicible" e "en función do expresado" sobre os portadores asintomáticos e os comportamentos cidadáns, "sería previsible a partir da terceira semana de xullo". |
PRAZA_5206 | A Mesa impulsa un informe para denunciar a vulneración dos dereitos dos galegofalantes coa que busca "internacionalizar" a problemática do idioma tal e como fixeron galeguistas en 1954. Solicitará a colaboración doutras entidades e pedirá á RAG e ao CCG que "encabecen esta denuncia". | En novembro de 1954, a colectividade galega de Arxentina, a través de importantes persoeiros nacionalistas e galeguistas, elaborou un informe no que denunciaba a persecución que a lingua galega sufría por parte do réxime franquista e que presentaron ante a Unesco. Daquela, reclamaban que a institución actuase ante o veto do Goberno do Estado ás publicacións en lingua galega, vasca ou catalá. "O presente informe está determinado por unha fe e tamén por un desexo: a fe en que a Unesco é o úneco órgao sensibre aos probremas vivos da cultura universal". Así comezaba a Denuncia diante a Unesco da perseguizón do idioma galego pol-o Estado Hespañol, publicado en varios idiomas e no que se advertía da represión e censura que o Goberno de España exercía sobre as linguas -daquela non oficiais- e sobre toda cultura que non fose a imposta polo franquismo. O galeguismo do exilio e a emigración presentou en 1954 un informe ante a Unesco denunciando a "persecución" do galego "Istes son os feitos que produxeron a denuncia. No nome de unhos direitos humáns aos que ningún membro da Unesco, pode permanecer insensible. (...) Todo pobo tén o indecrinable direito colectivo a usar seu propio idioma como ferramente da cultura", remataba o documento asinado polos centros Lucense, Gallego, Coruñés, Ourensano, Pontevedrés, de Betanzos, de Corcubión e a Irmandade Galega de Arxentina, ademais dos centros galegos de Nova York, Caracas e México, que enviaron outras denuncias case idénticas. Agora, sesenta anos despois, A Mesa pola Normalización Lingüística realizará outro informe, en colaboración con outras entidades e institucións, para volver denunciar ante a Unesco a vulneración dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes. Será tamén un xeito de lembrar, reivindicar e recoller as peticións que en pleno franquismo xa realizara o galeguismo do exilio e da emigración. Sesenta anos despois, A Mesa impulsa outro informe ante a Unesco para denunciar a vulneración dos dereitos dos galegofalantes "Para que o mundo saiba o crime que se está a cometer contra a lingua galega, a comezar desde a Xunta, e para internacionalizar a denuncia tal e como o fixeron os intelectuais galeguistas hai 60 anos", dixo o presidente d'A Mesa, Carlos Callón, na presentación desta iniciativa que prevé estar lista antes do mes de novembro e coa que se exixirá ante a Unesco que as administracións cumpran coa lexislación e cos tratados internacionais sobre os dereitos lingüísticos, e que tantas veces se ignoran no caso da lingua propia. Para elaboralo, a entidade contactará con diversos organismos que protexen a pluralidade e a diversidade cultural, así como coa Real Academia Galega e o Consello da Cultura, aos que pedirá o seu "apoio" e que "encabecen a denuncia". "Xa se teñen posicionado en contra da política lingüística da Xunta de forma clara e en momentos claves", dixo Callón en referencia ás denuncias que ambos os dous organismos levaron a cabo sobre o chamado decreto do plurilingüismo do Goberno de Núñez Feijóo. "Que todo o mundo saiba o lingüicidio que se está a cometer en Galicia; un mundo sen galego sería un mundo máis pobre", engadiu. A Mesa pedirá á RAG e ao Consello da Cultura que "encabecen a denuncia" e colaboren na elaboración do texto A Mesa deixa claro que a situación do galego "non é a mesma" que a de 1954, pero si asegura que hai "puntos en común", xa que os gobernantes actuais son "herdeiros" daquela época. "Non limparon totalmente o sue pasado", asegurou Callón na presentación da iniciativa, tras advertir de que houbo retrocesos "coma nunca antes" nos últimos 30 anos e tras destacar que o galego "é a única lingua do Estado que perde falantes". Por todo isto, amosa a súa "preocupación" pola situación do galego e lembra que á Mesa chegan denuncias por despedimentos xustificados no uso deste idioma, logo de recordar que o Estado denegou bolsas a alumnos por presentar a documentación na lingua propia. Ademais, desde a asociación recórdase tamén como Feijóo modificou a normativa da Función Pública eliminado o requirimento de examinarse en galego nada máis chegar ao poder ou que vén de "eliminar" o profesorado que impartía os cursos preparatorios do Celga. Durante os vindeiros meses, A Mesa pedirá a colaboración doutras moitas institucións neste informe que será traducido a todas as linguas posibles para "espallar polo mundo o que está a pasar en Galicia". |
NOS_6529 | O sindicato nacionalista acude ao Tribunal superior de xustiza de Galiza (TSXG) | A CIG presentou conflito colectivo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) pola "non aplicación" da lei de emprego público de Galiza ao persoal do Consorgio de Igualdade e Benestar. Lembra o sindicato nacionalista que a lei de emprego público sitúa fóra do seu ámbito de aplicación ao persoal de entes instrumentais, apontando a que desde que foi aprobada (na primavera) a CIG reiterou en non poucas ocasións que esta norma se aplicase. A sorpresa, indica a CIG, é que aquelas normas que se refiren a disposicións que "restrinxen ou rercortan dereito" aplícanse de inmediato ao cadro de persoal do Consorcio, mentres que as que "amplían dereitos" teñen que ser "reclamadas unha e outra vez". |
NOS_58503 | Mentres o Goberno do Estado español asegura que as plataformas terán que incorporar a lingua propia da Galiza, así como as de Euskadi e Catalunya -se ben non aclaran como será o reparto-, o Tribunal Supremo tombou a inmersión lingüística nas escolas catalás. | A ministra de Política Territorial e voceira do Goberno, Isabel Rodríguez, confirmou nunha rolda de prensa que galego, catalán e euskera terán como mínimo un 6% de cota de contido audiovisual para todas as plataformas, despois de que ERC pactara esta medida co Executivo estatal, xunto coa "protección" a través dunha serie de axudas públicas. Estas cotas estarán recollidas, dixo, no anteproxecto de Lei audiovisual que o Goberno de coalición está a preparar para a súa tramitación no Congreso dos Deputados. A voceira explicou que a idea do Goberno é que chegue ao Consello de Ministros "nas próximas semanas, antes de finais deste ano". Porén, a norma "non prefixa", segundo fontes do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital -que dirixe a galega Nadia Calviño-, unha distribución concreta dos contidos que se van fornecer en cada un destes tres idiomas. Ademais, desde o mesmo departamento apuntaron que malia ter ese contido dobrado ou subtitulado nas linguas cooficiais, non se vai considerar cota de obra en catalán, euskera ou galego. "Hai unha certa obriga que está suxeita a que sexa posíbel tanto tecnicamenteo como pola propia calidade da dobraxe ou o subtitulado. É unha obriga con algunhas limitacións", engadiron. Na Galiza, o BNG e A Mesa pola Normalización Lingüística foron os dous actores que encabezaron a esixencia ao goberno de PSOE e UP de que a protección do galego no sector audiovisual estivese recollida de maneira explícita na nova Lei do audiovisual. A formación política presentou iniciativas nos concellos galegos, no Parlamento da Galiza e no Congreso -a través do deputado nacionalista Néstor Rego- para sumar apoios e aumentar a presión ao Goberno de cara a incorporar o galego no novo texto legal. Pola súa parte, A Mesa pola Normalización Lingüística liderou as reivindicacións sociais co impulso de proxectos como as iniciativas Xabarín Club e Xabarín Club 2.0. A primeira logrou o apoio unánime das tres formacións políticas que forman parte da Cámara plenaria galega. Rodríguez insistiu que, con esta normativa, o Executivo aborda "a protección e a promoción de todas as linguas do Estado, dando cumprimento a esa garantía constitucional". O Goberno de coalición non recolleu esta posibilidade até que ERC puxo enriba da mesa que o seu apoio aos Orzamentos Xerais do Estado estarían supeditados a que a nova Lei do audiovisual fixese referencias "claras" á protección de galego, euskera e catalán no ámbito do sector audiovisual. O Supremo, contra a inmersión en catalán Mentres a portavoz do Goberno confirmaba esta decisión, o Tribunal Supremo ordenaba que o ensino en Catalunya sexa en castelán "en polo menos o 25% das horas de docencia". Anunciárono o conselleiro de Educación da Generalitat, Josep González-Cambray, e a conselleira de Cultura, Natàlia Garriga, nunha conferencia de prensa. Unha decisión que cualifican como "grave ataque á escola catalá". |
NOS_6831 | O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, recibiu ao representante do grupo EDP para falar de investimentos na materia das enerxías renovábeis, eludindo a forte contestación social da poboación galega contra os proxectos polo pouco que reverten na economía das localidades a cambio de toda a repercusión que causan en espazos protexidos ou que se poderían destinar a outros usos máis rentábeis para a poboación. | A compañía portuguesa EDP visitou hoxe Galiza para comprometer investimentos e "reactivación de territorios cuxa actividade se viu máis afectada pola descarbonización", mais a estratexia de ir "cara un modelo enerxético e económico máis sostíbel" pasa, entre outras cousas, por dar vida a novas iniciativas de aproveitamento eólico. A pesar da forte mobilización que existe no país contra a maioría dos proxectos para crear parques eólicos, polo dano que provocan ao medio ambiente e ao patrimonio, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, atendeu á empresa para conversar sobre as inicativas e analizar o compromiso xa en marcha desde hai anos. Enerxías de Portugal promete traer "máis de 1.000 millóns de investimento" -a maiores do que xa leva investido, pois opera no país desde 1996- pero será apostando pola "xeración eólica onshore e offshore", o almacenamento desta e o hidróxeno verde. A firma xa conta con 9 zonas con eólicos que xestiona baixo a filial EDPR, que é unha das principais operadoras do sector na Galiza. Nun contexto convulso no que se refire ao aproveitamento eólico nas condicións que se fai agora -non porque a sociedade estea en contra das enerxías limpas-, a firma destaca que contrata empresas locais para montar os muíños e conta con outros negocios galegos en todo o proceso. No entanto, non se debe esquecer que na realidade o retorno económico que estas factorías teñen para as vilas é reducido. Non o ve así o conselleiro delegado da lusa, Miguel Stilwell, que nesta segunda feira remarcou que "a actividade renovable produce relevantes achegas económicas aos municipios onde se localizan as súas instalacións, vía recadación fiscal, o que incrementa os recursos dos concellos para poder desenvolver plans e actuacións locais". "Ademais, axuda a impulsar o tecido industrial tanto a nivel rexional como local, coa resultante creación de emprego e investimento en infraestruturas no marco da transición enerxética", subliñou, palabras que distintas plataformas en diversos puntos da Galiza xa non cren. |
PRAZA_18624 | ENTREVISTA | Paz Filgueira foi durante anos a titular do xulgado de Violencia contra a Muller de Vigo. Feminista, falamos con ela sobre as eivas que aínda existen na lexislación e no sistema xudicial á hora de enfrontarse ás agresións machistas Raquel Doval: "Hai mulleres que cando van denunciar, ao final bótanse para atrás ao non verse ben atendidas" Paula Ríos: "O feminismo ten que seguir na rúa, esixindo aquilo que non se cumpre" Marta Rodríguez: "Dinlles 'aguanta polos fillos', pero precisamente polos fillos non se pode aguantar" | Paz Filgueira foi durante anos a titular do Xulgado de Violencia contra a Muller de Vigo e na actualidade é a responsable do Xulgado de Familia número 12 da cidade olívica. Nos sete anos que estivo á fronte do tribunal especializado en tratar os casos de agresións machista recibiu milleiros de casos, pero alerta de que unha boa parte das situacións de violencia de xénero non se denuncian nin son detectados. Advirte especialmente das limitacións existentes fóra das cidades, que non contan con xulgados específicos e que carecen de moitos recursos (policiais, asistenciais...) para axudar ás mulleres vítimas de malos tratos. Falamos con ela sobre estas e outras eivas que aínda existen na lexislación e no sistema xudicial á hora de enfrontarse ás agresións machistas. "En Galicia só hai dous xulgados exclusivos de violencia de xénero. O resto dos partidos xudiciais teñen un xulgado que cumpre esas funcións, pero son funcións compartidas e o ideal sería que tamén fosen incorporando os seus xulgados especializados" Que medidas son urxentes para mellorar a atención xudicial que reciben as mulleres vítimas de violencia de xénero? Faltan moitas cousas. Algunhas, de feito, están aprobadas ou prometidas pero non se aplican. O Pacto de Estado leva un ano en vigor, pero aínda non se fixeron efectivas a maioría do seu contido, porque estivo varios meses soterrado. Por exemplo, a lei de 2004 instaba a que se creasen unidades de valoración con persoal formado especificamente para a valoración dos riscos. Porén, despois de 14 anos seguen sen crearse de forma estrita e xeneralizada. Neste caso o Pacto de Estado fixaba un prazo de dous anos para a súa creación e pasou xa un ano e aínda non existe. É importante lembrar que en Galicia só hai dous xulgados exclusivos de violencia de xénero. O resto dos partidos xudiciais teñen un xulgado que cumpre esas funcións, pero son funcións compartidas e o ideal sería que tamén fosen incorporando os seus xulgados especializados. E algúns dos xulgados que si existen presentan eivas. Aínda que estes xulgados de violencia contra a muller deberían estar deseñados arquitectonicamente para ter salas separadas para agresores e agredidas, en Vigo a realidade é que as salas son contiguas e moi pequenas, polo que era moi difícil controlar que a vítima non vira o agresor ou que non o viran os menores. "Se hai carencias nas grandes cidades, onde máis ou menos se cumpren uns mínimos, podemos imaxinar o que pasa no resto de Galicia, onde o trato ás vítimas é moito peor" É moi distinta a situación nunha cidade como Vigo da que existe en localidades máis pequenas? Se hai carencias nas grandes cidades, onde máis ou menos se cumpren uns mínimos, podemos imaxinar o que pasa no resto de Galicia, onde o trato ás vítimas é moito peor. Un dos grandes retos é corrixir as desigualdades entre urbes e zona rural. Vigo e A Coruña, que suman 700.000 habitantes, teñen case o mesmo número de denuncias que o resto de Galicia, con 2 millóns de persoas. E iso é porque o acceso aos recursos unha vez que se denuncia é moi diferente: cómpre rematar con esta diferenza, é necesario dotar o resto de Galicia dos avogados, xuíces e axentes de policía suficientes. "O 60 ou 70 por centos das mulleres que sofren violencia non a denuncian. Non hai os elementos axeitados de detección destas situacións" Conta a administración cos instrumentos suficientes para detectar a violencia de xénero cando se produce? Falta información, falta estatística sobre o que sucede realmente. O 60 ou 70 por centos das mulleres que sofren violencia non a denuncian. E isto é porque non hai os elementos axeitados de detección destas situacións. Estes casos deberían ser detectados polo Estado a través do tecido sanitario, educativo, de servizos sociais... En cambio, o que se fai é dirixir campañas ás mulleres para que denuncien. Certas campañas poñen na vítima a responsabilidade de denunciar, pero moitas veces non contan con suficientes inventivos para poñer unha denuncia, sobre todo nos casos de mulleres que dependen economicamente do seu agresor. Pensan que é máis o que poden perder que o que poden gañar saíndo desa situación. "As mozas denuncian máis este tipo de situacións porque non teñen ningún interese nin ningún incentivo para aturar un tipo que as maltrata" Están mal enfocadas as campañas? En xeral, as campañas son moi mediocres. Non deben dirixirse só á vítima, deberían dirixirse sobre todo ao agresor porque igual que non hai prostitución sen puteiros, non hai agresión sen agresores. Ademais deben axustarse a cada treito de idade. Como é a situación nas xeracións máis novas? As mozas consenten menos estas situacións? Os mozos son distintos aos de xeracións anteriores? Fálase moito de que hai máis violencia entre xeracións máis novas. Para nada. O que pasa é que as mozas denuncian máis este tipo de situacións porque non teñen ningún interese nin ningún incentivo para aturar un tipo que as maltrata. Non están casadas, non teñen fillos e o home non as mantén economicamente, non teñen ese poder sobre elas. A gran diferenza é que o sistema actual xa non ofrece nada: nin un emprego estable, nin benestar económico, nin propiedades. O sistema xa non ofrece nada a unha muller, por iso a rebelión é tan grande. "Falta moito coñecemento e estatísticas do que sucede e sucedeu nas persoas de máis idade, ou do que pasa no mundo rural, do que esas mulleres aguantan e aguantaron" Hai que mellorar a educación neste ámbito? As películas románticas fan moito dano. Xa non digo o porno, que seguramente tamén, pero ese ideal romántico é reproducido por todas as xeración. A liberdade sexual e a existencia de desexo non queren dicir que eu teña que estar a disposición do teu sexo nin que o sexo signifique necesariamente penetración. É peor (ou era peor) a situación de violencia nas xeracións anteriores? Cando recibimos denuncias de mulleres de máis de 50 e 55 anos, os actos que relatan son moito máis terribles que o que pode pasar con rapaces de 20 ou 30 anos. En xeral, falta moito coñecemento e estatísticas do que sucede e sucedeu nas persoas de máis idade, ou do que pasa no mundo rural, do que esas mulleres aguantan e aguantaron. Hai un gran deficit de visibilización do que lles aconteceu a nais e avoas, e iso tamén ten un impacto moi negativo nas xeracións seguintes, porque os fillos e netos queren reproducir ese sistema de dominación que sempre viron nas súas familias. "O menor é o grande esquecido do sistema. Necesitaríamos máis psicólogos nos xulgados e fóra dos xulgados, máis traballadores sociais e máis medios económicos" Os menores vítimas de violencia machista están suficientemente protexidos? De acordo coa lei, todo menor que conviva nun entorno de violencia de xénero é considerado vítima de violencia de xénero e como tal debe ter a mesma protección. Pero na realidade iso non se produce. Necesitaríamos máis psicólogos nos xulgados e fóra dos xulgados, máis traballadores sociais e máis medios económicos. E unha atención e unhas axudas a medio prazo e non só a curto prazo. O menor é o grande esquecido do sistema "Na xudicatura e nas fiscalías non hai cambio ningún. O cambio só chegará pola aprobación de normas. E normas que teñen que ser estritas e imperativas, non interpretables" O 8 de marzo provocou cambios na xudicatura e no ámbito xudicial en xeral? Na xudicatura e nas fiscalías non hai cambio ningún. O cambio só chegará pola aprobación de normas. E normas que teñen que ser estritas e imperativas, non interpretables. Está habendo a nivel social unha revolución das mulleres, que foi posible en parte grazas a Internet. As redes permitiron acceder a máis información, permitiron a mobilización, permitiron a aparición de máis xornalismo independente. Temos a grande oportunidade neste momento de mudar o contrato social, porque aquel contrato, aquel acordo, foi deseñado por unha serie de homes machistas: o concepto de pater familias, o patrimonio, o matrimonio... e todas as institucións que se crearon ao seu redor. Para min o feminismo consiste en rachar con todo isto. Paz Filgueira participou na constitución da asociación de xornalistas galegas | As Xornalistas |
PRAZA_20409 | Asinaron, xunto con outras formacións soberanistas, o manifesto Os Pobos de Europa ante os Tratados de Libre Comercio, acordos "que priorizan os intereses das grandes corporacións empresariais e financeiras mundiais en detrimento dos dereitos dos pobos e das maiorías sociais". | BNG, ERC, EH-Bildu, Sinn Feín, a bretona UDB e a formación valona Ecolo asinaron este sábado na Coruña o manifesto Os Pobos de Europa ante os Tratados de Libre Comercio, unha declaración conxunta en contra dos acordos "que priorizan os intereses das grandes corporacións empresariais e financeiras mundiais en detrimento dos dereitos dos pobos e das maiorías sociais". Ademais, comprométense a actuar como "contrapoder" ao "modelo globalizado que impoñen as transnacionais". O encontro estivo organizado pola Fundación Galiza Sempre (FGS) coa colaboración da Universidade da Coruña. BNG, ERC, EH-Bildu, Sinn Feín, a bretona UDB e a formación valona Ecolo asinaron o manifesto Con esta declaración, o BNG e o resto das formacións participantes "queren alzar a súa voz" para denunciar que os tratados de libre comercio danlles ás corporacións transnacionais e aos conglomerados financeiros "un control que perpetúa legalmente o seu poder e os seus privilexios en detrimento da protección e da promoción dos intereses dos nosos pobos". O "dogma" do libre comercio, -di a declaración-, deixa como realidade incuestionable "o enriquecemento dos máis ricos e o correlativo empobrecemento de todos os demais que conformamos a humanidade, desde a realidade plural e diversa dos nosos pobos". "Supeditar a democracia e a soberanía a un fanatismo economicista só conduce a un retroceso inédito nos dereitos laborais, sociais, alimentarios, ambientais e culturais así como a privatización e deterioro sistemático do público", denuncia o manifesto. O texto proclama, así mesmo, "o dereito como nacións a decidir libre e democraticamente por nós todo o relativo a calquera proposta de inclusión ou relación dos nosos pobos en calquera tratado multinacional de libre comercio, que pretenda ser subscrito por parte dos Estados dos que hoxe formamos parte". "Máis que de libre comercio, son tratados de barra libre para as grandes multinacionais e as corporacións bancarias, e de mans atadas para os pobos, para as pequenas e medianas empresas, para a clase traballadora e para a maioría da sociedade" A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que "máis que de libre comercio, son tratados de barra libre para as grandes multinacionais e as corporacións bancarias, e de mans atadas para os pobos, para as pequenas e medianas empresas, para a clase traballadora e para a maioría da sociedade". Para a dirixente do Bloque, "é unha irresponsabilidade que desde o Goberno do PP se aposte por estes tratados que nos recortan dereitos, que empeoran a vida das persoas e que son un mazazo para a conservación do medio ambiente". "Non sei se somos David contra Goliat, pero temos a obriga de traballar por un mundo mellor e máis xusto e para ratificar ese compromiso estamos aquí partidos políticos representantes dos nosos respectivos pobos", concluíu Pontón. Descarga aquí o manifesto (.pdf) |
NOS_9129 | Os órganos xudiciais galegos resolveron un 18,5 % máis de casos nos tres primeiros meses de 2021. | Os xulgados e tribunais galegos recibiron no primeiro trimestre do ano un 11,8% máis de asuntos e resolveron 87.155 casos, un 18,5% máis que no mesmo período de 2020, cando finalizaron 73.312. Son datos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a partir das estatísticas do Consello Xeral do Poder Xudicial. O informe que recolle todas as cifras de actividade, divulgado esta sexta feira, reflicte a incidencia que tiveron o confinamento e a suspensión da actividade xudicial non esencial, pois os órganos da comunidade autónoma tiñan o 1 de xaneiro 167.852 asuntos en trámite, un 7,4% máis que a principios de 2020, e terminaron marzo con 161.572 procedementos pendentes, un 3,7% menos que ao comezo do período e un 4,3% máis que nas mesmas datas do ano anterior. "Esta diminución do número de casos pendentes con respecto ao comezo do período demostra o esforzo que se está realizando por parte de todo o persoal da Administración de Xustiza da Comunidade", sosteñen desde o TSXG. De acordo cos datos publicados, a actividade dos xulgados e tribunais de Galicia experimentou durante o primeiro trimestre de 2021 un aumento en todas as xurisdicións. En total, os órganos xudiciais ingresaron 81.761 asuntos, un 11,8% máis que no mesmo período de 2020, cando recibiron 72.877 casos. A taxa de litioxidade, é dicir, o número de procedementos por cada mil habitantes, situouse na Galiza en 30,3 fronte aos 33,2 de media estatal. Datos por xurisdiccións Na xurisdición civil, o número de casos ingresados en Galicia no primeiro trimestre do ano foi de 38.907, o que supón un aumento do 20,8% respecto ao mesmo período do ano anterior. Nese tempo resolvéronse 40.830 asuntos, un 27,1% máis que en 2020, quedando en trámite ao final de marzo 87.073, un 7,2% máis. Na xurisdición penal entraron 31.885 asuntos, 221,42 de media por órgano xudicial, o que supón un 0,7% máis que no primeiro trimestre de 2020. O número de casos resoltos foi de 34.647, e o de asuntos en trámite ao final do período, de 39.187, un 0,9% menos que o ano pasado. Na xurisdición contencioso-administrativa ingresaron 2.429 casos entre os pasados 1 de xaneiro e 31 de marzo, o que supón un 18,1 % máis que no mesmo período do ano anterior. Resolvéronse 2.658 asuntos, un 33,3 % máis, e quedaron en trámite 7.370, un 3% máis que en 2020. Por último, a xurisdición social tamén experimentou un incremento na entrada de procedementos, xa que os 8.540 ingresados representan un 18,5% máis que no primeiro trimestre de 2020. O número de asuntos resoltos nesta xurisdición foi de 9.020, un 25,9% máis, e quedaron en trámite ao final do período 27.942, un 3,7% máis. |
NOS_54226 | Esta quinta feira 26 de marzo, na mesma semana en que se fan 25 anos do pasamento de Ricardo Carvalho Calero, Sermos Galiza dedicaralle en exclusiva o seu caderno de análise. | Xusto un cuarto século despois do seu pasamento, recuperamos para o A Fondo a figura deste profesor, poeta, narrador e ensaísta, relegado ao ostracismo pola súa aposta reintegracionista. O A Fondo fará un percorrido pola súa vida e obra, e incluirá, así mesmo, dous artigos da profesora Pilar García Negro e da Fundaçom Artábria. Fechará coa visión de varios mozos e mozas na vintena, nacidos aproximadamente na época en que Carvalho finou, para saber que teñen escoitado e lido del. No ostracismo "Reivindicar Carvalho Calero nos dias de hoje nom fai sentido se nom for com todas as conseqüências -escriben para Sermos dende a directiva da Fundaçom Artábria- Se hoje ganha um sentido pleno reivindicarmos a figura do inteletual ferrolano nom é por outra cousa que polos seus posicionamentos quanto à normativizaçom do galego". E engaden: "Nós reivindicamo-lo como pensador, literato, erudito da língua e a literatura galegas, renovador pedagógico, mas, dentro disso todo, e ante todo, como fundador ideológico do reintegracionismo tal como hoje o conhecemos". "O A Fondo fará un percorrido pola súa vida e obra, incluirá artigos de Pilar García Negro e da Fundaçom Artábria, e pechará coa visión de varios mozos e mozas na vintena, nacidos aproximadamente na época en que Carvalho finou." "Un verso infeliz. Tal foi o decreto que se cerneu sobre Carvalho cando decidiu ser un verso libre e, na derradeira década da súa vida, reatar a súa biografía con aqueles anos da mocidade republicana e nacionalista", afirma no seu artigo Pilar García Negro. A profesora destaca a coherencia da traxectoria política de Carvalho Calero, fiel ao Partido Galeguista até a súa disolución e próximo ao BNG e a diversas asociacións culturais nacionalistas nos últimos anos da súa vida. Unha traxectoria que se constitúe como verso libre fronte á outros coetáneos galeguistas da súa xeración que, seguindo as teses piñeirianas, se aliaron coas forzas estatais nos primeiros anos da democracia. Fronte ás descualificacións García Negro defende a figura de Carvalho Calero fronte ás voces que procuran descualificalo, tachándoo de sexista ou "mandamáis" da historiografía literaria. A súa obra, insiste, fala por si mesma, "polo traballo valioso de tantos anos, polo valor da historia de noso, máis moderna, desde logo, da que representan grandes figuras da intelligentsia española contemporánea, como Unamuno, Ortega y Gasset, Marañón, Gómez de la Serna, Juan Ramón Jiménez ou Martínez Sierra." |
NOS_20448 | A análise preliminar dun estudo realizado na Universidade de Oxford, e publicado na revista The BMJ, destaca que a carga viral é a mesma nos dous grupos de persoas se se infectan con esta cepa. Así, sinalan os fármacos como remedios para rebaixar o risco ao contraer a enfermidade e non o risco de infectarse. | A variante Delta da Covid-19 infecta ás persoas vacinadas coa mesma carga viral que a aquelas persoas que non teñen a inoculación do remedio fronte ao virus. Así o concluíron investigadoras da Universidade de Oxford, que publicaron un artigo sobre o inicio dun estudo na revista The BMJ. Actualmente, a inoculación dunha ou dúas doses -dependendo do fármaco- da vacina é a forma máis eficaz de ter protección quer contra a cepa Delta, quer contra outras, pero xa se sabía que malia estar inmunizados, os individuos poden infectarse por Covid-19 cun cadro máis leve que antes de contar co remedio. No entanto, a comunidade científica e sanitaria mundial continúa a facer os seus estudos da situación e un grupo de expertos da institución académica do Reino Unido comprobaron que persoas contaxiadas coa variante Delta e que xa estaban vacinadas "teñen niveis de virus similares aos que non se vacinaron". Isto supón, ao seu entender, "un maior desafío á hora de acadar a inmunidade de grupo". Nos traballos preliminares observouse que as vacinas desenvolvidas por AstraZeneca e Pfizer ofrecen unha boa protección contra novas infeccións, aínda que non tanto cando se trata da variante Delta. Para alcanzar esta conclusión, os investigadores analizaron 2.580.021 resultados de hisopos tomados de 384.543 adultos entre o 1 de decembro de 2020 e o 16 de maio de 2021, cando predominou a variante Alfa, e 811.624 resultados de 358.983 adultos entre o 17 de maio e o 1 de agosto de 2021, cando prevaleceu o Delta. Chave para evitar mortes pero non contaxios Desta forma comprobaron que cando prevaleceu a Delta, a eficacia da vacina Pfizer foi do 80% aos 14 ou máis días despois de dúas dose, a cal foi maior que despois de dúas dose da vacina AstraZeneca (67%) pero non significativamente diferente da protección que brinda a inmunidade natural en persoas non vacinadas que deron positivo ao SARS-CoV-2 (72%). A eficacia das dúas vacinas non dependeu do tempo transcorrido entre a primeira e a segunda dose, aínda que as persoas que foron vacinadas despois de padecer a Covid-19 tiveron máis protección coas vacinas que aquelas que foron vacinadas sen unha infección natural previa. "Agora hai bastantes probas de que todas as vacinas son moito mellores para reducir o risco de enfermidade grave que para reducir o risco de infección. Agora sabemos que a vacinación non deterá a infección e a transmisión, pero si reducirá o risco. O principal valor da inmunización é reducir o risco de enfermidade grave e morte", resumiron as persoas expertas. |
PRAZA_9208 | A única vía de saída que existe en democracia son as eleccións transparentes e recoñecidas polos perdedores. Non hai outra | O 17 de agosto de 2004, o ex presidente de Estados Unidos Jimmy Cárter foi duramente increpado por parte dun nutrido grupo de opositores no restaurante de Limoncello de Caracas, tendo que fuxir protexido polos seus escoltas.Cada resultado electoral foi discutido e repudiado pola oposición, agás nos casos de Cidades, estados ou parlamentarias, nos que foron declarados vencedores polo CNEO Centro Cárter e a OEA, viñan de avalar o resultados oficiais do referendo revogatorio, que Hugo Chávez gañou cun 58,25% dos votos, nunha histórica participación do 70% do electorado.A oposición, daquela agrupada ao redor da chamada "Coordinadora Democrática" xa manifestaba por boca do seu líder Henry Ramos que rexeitaba de forma rotunda e categórica os resultados oficiais, que consideraban froito dun xigantesco fraude.Desde ese momento, cada resultado electoral foi discutido e repudiado pola oposición, agás nos casos de Cidades, estados ou parlamentarias, nos que foron declarados vencedores polo CNE (Consello Nacional Electoral). O Centro Cárter abandonaría o seguimento das eleccións en Venezuela no 2015. Ao tempo o Presidente Maduro declaraba que a partires dese momento "Venezuela non era monitoreada nin sería monitoreada por ninguén".Aínda non rematara o seu primeiro quinquenio de mandato o goberno Chávez, xa afrontara un intento de golpe de Estado, que o retirou dous días do goberno, para colocar a fronte do país a Pedro Carmona, presidente da patronal empresarial (Fedecámaras). O goberno golpista fora recoñecido por Colombia, e apadriñado pola España de Aznar e por EEUU. Case a continuación do fracasado golpe militar, comezou un prolongado paro empresarial, catapultado polas Tv nacionais co seu seguimento en directo 24 horas, que copiaba o modelo chileno aplicado a Salvador Allende.Os intentos de golpe promovidos dende a oposición foron moitos e por distintas vías: militar, "fake news", económica, guerrilla urbana, parlamentaria...Por tanto, os posicionamentos partidarios da vías non democráticas da oposición venezolana, nas súas diversas etapas, cos seus diversos nomes e baixo a tutela de diferentes líderes foi unha constante na Venezuela das dúas últimas décadas. Os intentos de golpe promovidos dende a oposición foron moitos e por distintas vías: militar, "fake news", económica, guerrilla urbana, parlamentaria...Mais as imperfeccións democráticas do país caribeño, non son exclusivas da oposición. Se a oposición gañaba as eleccións na Área Metropolitana de Caracas, o goberno chavista baleiraba de competencias a esa Alcaldía Maior. Cando as forzas opositoras gañaron a maioría parlamentaria, inmediatamente puxo en marcha unha Asemblea Constituínte que asumía a practica totalidade das funcións recollidas na lexislación e disolvía o Parlamento electo. Cando o oficialismo non ten marioría suficiente no parlamento, por en marcha o seu particular "artigo 155", un estado de escepción, amparado na legalidade, que delega na Presidencia a implantación de leis, sen os prazos e trámites habituais prescritos na lexislación. A Televisión Publica Venezolana (VTV), é un terminal monocor exclusivo da cosmovisión chavista. Non hai espazo para tipo un funcionariado profesional, plural; tan só para os que teñen fe no proxecto bolivariano. Un exército omnipresente e omnipotente, que asume tarefas de seguridade, de control, de xestión económica, de dirección política, de xerencia administrativa, etc. Un poder xudicial controlado polo poder político.As imperfeccións democráticas do país caribeño, non son exclusivas da oposición. Cando as forzas opositoras gañaron a maioría parlamentaria, inmediatamente puxo en marcha unha Asemblea ConstituínteCertamente, varias destas carencias non son patrimonio de Venezuela e poderían ser extrapolables a diferentes contextos xeopolíticos, mesmo ao noso, mais en Venezuela son relevantes.O escrache, que viviu Jimmy Carter no Restaurante Limoncello, en 2004, é a metáfora perfecta que ilustra as dúas visións antagónicas de Venezuela, que non se recoñecen, que se afirman e afunden nas súas propias vías de escape.Na ruleta opositora dos Venezolanos antichavistas, teñen ido mudando de líderes cada vez que fracasaban nun determinado modelo de estratexia no intento de desaloxar aos bolivarianos do Palacio de Miraflores: Salas Romer, Henry Ramos, Manuel Rosales ( O único que admitiu a derrota electoral contra Chávez no 2006), Henrique Capriles (que postulaba a vía electoral e quedou a tan só un punto porcentual de Nicolás Maduro no 2013), Leopoldo López ( que activou co apoio colombiano a vía violenta da guerrilla urbana), Henry Ramos Allup ( foi presidente do primeiro parlamento maioritariamente opositor), Lorenzo Mendoza (O empresario que xenera máis consensos entre os opositores, pero que non da decidido o paso á política), Henry Falcón ( o último opositor que competiu con Maduro nas presidenciais).Nas eleccións máis abstencionistas da historia de Venezuela, acontecidas o 20 de maio do 2018, Nicolás Maduro, obtivo un 68% dos votos, fronte ao 21% de Falcón e o 11% do pastor evanxélico Javier Bertucci. A MUD (Mesa da Unidade Democrática) coalición heteroxénea de 18 partidos en constante pelexa polo liderazgo) decidira non participar, alegando que non se daban as circunstancias idóneas para unha contenda electoral. No seu comunicado demandaba unha amnistía de todos os opositores candeados (acusados de corrupción ou de accións violentas) , o acceso igualitario aos medios de comunicación tanto públicos, como privados, e un equipo de verificación internacional.Derrotada a alternativa de Falcón e coa MUD, esnaquizada pola ambición dos partidos máis duros que senten o respaldo opositor maioritario ás súas teses, aparece Juán GuaidóOs partidos AD (Acción Democrática) e UNT (Un Novo Tempo), membros da internacional socialista eran inicialmente partidarios de concorrer, mais finalmente decantáronse cara as posicións máis ríxidas de "Voluntad Popular" de Leopoldo López ou de "Primero Justicia" de Henrique Capriles que arrastraron ao resto a retirarse da contenda presidencial. Tan só Falcón accedeu a participar na disputa electoral, enfrontándose a Maduro.Derrotada a alternativa de Falcón e coa MUD, esnaquizada pola ambición dos partidos máis duros que senten o respaldo opositor maioritario ás súas teses, aparece Juán Guaidó. Un presidente do Parlamento con data de caducidade anual, electo para o período de 5 de xaneiro de 2019 5 de xaneiro de 2020.A escasos días de tomar posesión, un descoñecido da comunidade internacional, da cidadanía, autoproclámase Presidente. Sen ter sido electo, sen ter participado nas eleccións, nun modelo político onde os presidentes son elixidos en procesos electorais directos e non polos parlamentos. Situación bananeira, esperpéntica ou bochornosa, se non fose porque a súa acción estaba prevista e coordinada cos países que recoñeceron o seu status de inmediato. Apadriñado por personaxes con pouca fé nos dereitos humanos e moita no neoliberalismo. Tampouco contribúe ter fe na vontade democrática, a nomear como delegado de EEUU para a crise venezolana a Elliot Abrams sostedor da ditadura militar salvadoreña, implicada en crimes masivos, ou involución armada dos contras en Nicaragua. A única vía de saída que existe en democracia son as eleccións transparentes e recoñecidas polos perdedores. Non hai outraGuaidó ten poderosos aliados externos, que cobizan o seu petróleo, para saír do chavismo pola porta falsa. Petróleo no que agora están comodamente instaladas as potencias Chinesa ou rusa. O autoproclamado, conta interior de Venezuela co tradicional apoio da clases sociais máis favorecidas, co beneplácito das clases medias e con argumentos potentes para seducir aos tradicionais votantes chavistas, golpeados intensamente pola carestía, escaseza produtos ou pola corrupción.A única vía de saída que existe en democracia son as eleccións transparentes e recoñecidas polos perdedores. Non hai outra. En Santo Domingo, nas negociacións goberno-oposición estaban sobre a mesa estas condicións. Pero houbo quen saíu precipitadamente, os mesmos que xa no querían ir. |
NOS_2214 | A sentenza, sobre a que aínda cabe a apelación, explica que a ex de Ciudadanos debe deixar o Executivo local, ademais de reintegrar o percibido como concelleira de Deportes. | O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 da Coruña estimou o recurso da Marea Atlántica fronte á resolución da Alcaldía do Concello da Coruña, do 2 de decembro de 2020, pola que se nomeou a antiga edil de Ciudadanos (C's), Mónica Martínez, concelleira responsábel de Deportes como integrante da Xunta de Goberno Local. Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), o xulgado acorda deixar sen efecto o nomeamento de Martínez, cuxa designación como edil de Deportes foi cualificada como un caso de "transfugismo" desde a Marea Atlántica. A sentenza antitransfuguismo obriga o alcalde de Viana a renunciar ao cobro da dedicación A xuíza considera que as resolucións recorridas vulneran a lexislación da Lei de Bases de Réxime Local "pois supoñen que a concelleira non adscrita asume novos cargos económicos con incremento das súas retribucións, polo que procede a declarar a nulidade das mesmas". A sentenza, sobre a que aínda cabe a apelación, explica que a ex de C's debe deixar o Executivo local, ademais de reintegrar o percibido como concelleira de Deportes. Devolución do salario percibido Neste sentido, o xulgado detalla que o Concello da Coruña debe "cuantificar as cantidades percibidas como consecuencia dos devanditos acordos, que deberán ser reintegradas ao concello cos intereses correspondentes". A asignación anual de Mónica Martínez é de 16.000 euros. Mónica Martínez foi elixida concelleira por C's nas eleccións municipais de maio de 2019 e quedou integrada no Grupo Mixto. En xuño de 2020 solicitou a súa baixa no partido e, posteriormente, pasou a formar parte do goberno local como edil non adscrita. A portavoz de Marea Atlántica, María García, xustificou a demanda presentada pola formación contra o nomeamento da edil porque, "seguindo o pacto antitransfuguismo, este tipo de concelleiros que abandonan o seu partido de orixe non poderán entrar a formar parte de gobernos e asumir responsabilidades de xestión". |
NOS_13230 | Consideran que é unha iniciativa "electoralista". | Os Colexios Oficiais de Enfermaría da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, consideran "desacertado e inaceptábel" o bono de 250 euros da Xunta para o persoal que estivo en primeira liña contra o coronavirus COVID-19, que cren unha "iniciativa populista e electoralista". A través dun comunicado de prensa conxunto, estas entidades colexiais mostraron o seu "malestar" ante a medida anunciada o pasado venres polo presidente da Xunta, Núñez Feixoo, consistente nun bono de 250 euros co que se "premiará" aos 20.000 sanitarios e sanitarias, traballadorese traballadoras sociais que estiveron na primeira liña de loita contra a pandemia do SARS-CoV-2. "Durante a emerxencia sanitaria, o compromiso e esforzo das enfermeiras e enfermeiros foi excepcional. A tensión engadida ao labor habitual non foi provocado polo traballo en si. As condicións en que se desenvolveu, a falta de material de protección e a ausencia de protocolos o provocaron", indicaron as entidades colexiais. "A Enfermaría galega sufriu por cada enfermo e as súas familias, polos compañeiros contaxiados -máis de mil na Galiza- e, desgraciadamente, polos falecidos, sempre actuando con total profesionalidade. Asumíronse, porque era necesario, mobilizacións de persoal entre servizos, traballar con cadros reducidos, o aumento da carga de traballo, tanto en centros públicos como privados", sinalaron os colexios de Enfermaría da Galiza. Desta forma, reivindicaron "o esforzo de todos os profesionais que traballaron en Urxencias, Atención Primaria, hospitais e centros sociosanitarios foi extraordinario, e así foi recoñecido pola sociedade". "Os colexios de Enfermaría rexeitamos esta iniciativa populista e electoralista. Somos profesionais da saúde que defendemos o sistema sanitario público e universal sen intereses materialistas, e seguiremos traballando pola saúde en beneficio do cidadán", destacaron. Ademais, advirten de que "todas as deficiencias do sistema, patentes durante a crise sanitaria, non serán esquecidas por recibir este premio". Respecto diso, o catro colexios son "conscientes das necesarias medidas que reactiven ao comercio e ao turismo", pero consideran que esta medida partidista "non é a forma de facelo". "Moi ao contrario, son os problemas urxentes os que se deben de afrontar mediante un incremento no investimento sanitario, atendendo fundamentalmente a mellorar a precariedade laboral ou o alto grao de eventualidade entre outras históricas reivindicacións que non se poden esconder detrás dun bono", manifestaron. Así, "mellorar os contratos, reducir o número de eventuais e dignificar os seus salarios, reforzar o persoal en Atención Primaria e centros sociosanitarios, facer provisión de EPIs e outros materiais, substituír ao persoal en permisos e licenzas, que non se reduzan cadros, sería o mellor premio ás enfermeiras", aseguran, pero "tamén ao conxunto da cidadanía, pois redundan en beneficio da sociedade". Enfermeiras en residencias No tres meses de estado de alarma "púxose de manifesto a falta de enfermeiras en residencias", incidiron as entidades colexiais. "Os centros de maiores, onde a carga asistencial é alta, con poboación envellecida e necesitada de coidados expertos, deberían de establecerse quendas de enfermeiras/vos de 12 horas presenciais e outras 12 localizadas", engadiron. "Lugares como as mini residencias, terían que contar con profesionais de enfermaría 24 horas ao día de forma presencial", destacaron os colexios de Enfermaría de Galicia. "Outra histórica reivindicación, esencial para a volta aos colexios o próximo mes de setembro, é a figura da enfermeira escolar que, como sinalan os colexios de Enfermaría, achégalle tranquilidade, tanto ás familias dos menores, como aos docentes, xa que, non só pode participar na formación e prevención en materia sanitaria dos nenos, senón que, pode achegar coidados expertos aos estudantes que o necesiten, ben porque padezan algún tipo de enfermidade, ou ben porque sufrisen algún tipo de accidente no centro", conclúen. Por todo iso, indican que "a precariedade laboral, a alta eventualidade e as reivindicacións dos sanitarios, non se poden ocultar detrás dun bono" porque "moitas enfermeiras e enfrmeiros e matronas buscan traballo noutras comunidades autónomas ou o estranxeiro, e iso non vai deixar de ocorrer porque a Xunta convide a ir de vacacións", sentencian. |
PRAZA_16976 | As centrais que rexeitan a oferta do Goberno galego (CIG, CUT e STAJ) piden retomar a unidade logo de que nin a Administración nin as outras organizacións sindicais acudisen ao encontra na EGAP. O PP rexeita a petición de En Marea e BNG para que Rueda compareza no Parlamento. | A principios do pasado mes de marzo, cando a folga do persoal da Administración da Xustiza en Galicia cumpría un mes, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reclamaba dos sindicatos a suspensión da folga "mentres se negocie", unha solicitude que consideraba "absolutamente lóxica" e que reiterou en diferentes ocasións. O pasado luns, os tres sindicatos que rexeitan o acordo que pactaron Goberno e outras catro centrais --e que tamén foi rexeitado polo persoal en votación-- dixeron estar dispostos a "interromper" o paro para retomar as conversas e convocaron a Administración e todos os representantes sindicais este mércores na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Tal e como anunciaran uns e outros, non acudiron a unha cita na que só se presentaron CIG, Alternativas na Xustiza-CUT e STAJ. Nin Xunta nin o resto de sindicatos acudiron á xuntanza convocada por CIG, CUT e STAJ Os tres sindicatos foron moi duros con Alfonso Rueda, ao que cualificaron de "prepotente, mentireiro e chantaxista". O voceiro de AX-CUT, Pablo Valeiras, lembrou a oferta do vicepresidente de hai semanas para sentar a negociar se había unha suspensión da folga, tal e como acaban de propoñer. "Pero non está aquí; a Xunta e el retrátanse perfectamente", dixo respecto dunha Administración e dun conselleiro que cre que "tarde ou cedo dimitirá ou o dimitirán". "Un político que non cumpre o que di é evidente onde ten que estar", engadiu. Os sindicatos lembran que Rueda asegurou que sentaría a negociar se interrompían a folga, como ofrecen agora, durante as conversas Ao tempo, a folga continúa, cumpre o seu 85º día, vai camiño dos tres meses e suma bastantes máis de 20.000 xuízos suspendidos. Os tres sindicatos que convocaron este mércores a xuntanza non celebrada fixeron un chamado ao resto de sindicatos que integran o comité de folga --SPJ-USO, UGT, CSIF e CCOO-- a retomar a unidade. CIG, AX-CUT e STAJ acudiron á EGAP e non só non había ningún representante da Xunta, senón que lles foi impedida a entrada. Os portavoces dos tres sindicatos --tamén estaban Enrique Araújo, de STAJ, e Óscar Freixido, da CIG-- insistiron na necesidade de "retomar a unidade" sindical para conseguir a fin do conflito e do paro. Ademais, advertiron de que, a pesar das evidentes diferentes entre as centrais, o comité de folga "non está roto". Así, lembraron que as outras catro organizacións "non desconvocaron a folga" malia ser "maioría". CIG, CUT e STAJ piden recuperar a unidade sindical e lembran que as outras catro centrais non desconcovaron a folga malia ser maioría Mentres isto ocorría, dous delegados da UGT que acudiron á EGAP a "facer trámites administrativos" coincidiron coas outras tres centrais e tampouco puideron entrar na sede administrativa. O portavoz deste sindicato no sector da Xustiza, Manuel Díaz, lembrou que a "condición" que puxo a súau central para reiniciar as conversas coa Xunta é que fose precisamente esta quen convocase as xuntanzas. Ante isto, criticou que non se lles permitise acceder á sede da EGAP, á que acudían para "facer trámites urxentes relacionados cun expediente disciplinario". "Terán que dar --a Xunta-- explicacións de por que se nos está prohibindo o paso como delegados sindicais, como cidadáns ou como funcionarios da Xustiza", rematou. Ao pouco tempo, Alfonso Rueda contestou os reproches dos tres sindicatos advertindo de que a convocatoria deste mércores "nin tan sequera era do comité de folga que forman sete sindicatos" e avisou de que unha negociación con CIG, CUT e STAJ "era implantexable" por pediren medidas que "unha administración responsable non pode conceder". Así, asegurou que reclaman que "se devolva o diñeiro" perdido polos funcionarios en folga sen vinculalo "a ningún traballo concreto" e criticou tamén que esixan que se "garanta" que os traballadores galegos sexan "sempre os cuartos mellor pagados de España". Rueda acusa os tres sindicatos que rexeitan o acordo de "pedir cousas que unha administración responsable non pode conceder" "A Xunta o que garantiu é que sempre cobrarían máis do que cobra a media de funcionarios en España, pero non podemos garantir ese cuarto posto, Galicia non é nin moito menos a cuarta comunidade con máis potencia económica en España", engadiu Rueda, que cre que "moitísima xente se daría por satisfeita" e "pensaría que é unha boa oferta" a da Xunta, que "garante que sempre van estar cun soldo por enriba da media dos traballadores da Xustiza en España". Ademais, o vicepresidente insistiu en que a Xunta non seguirá "nunha poxa" na que "cada vez que pon unha oferta enriba da mesa" hai unha "serie de sindicatos que tiran un pouco máis para arriba para que nunca acabe a folga". "A oferta é a que é", defendeu Alfonso Rueda, que considerou que CUT, STAJ e CIG "comprometéronse a cousas que non van poder cumprir" e que asegura que a unidade sindical "está totalmente rota". Dimisión do presidente do comité de folga Por outra banda, o membro do sindicato SPJ-USO Carlos Dacal, que asumira a presidencia do comité de folga dos funcionarios da Xustiza hai dúas semanas e despois da renuncia do seu compañeiro Manuel Tejada, presentou a súa dimisión deste órgano por motivos "persoais e de saúde". O seu substituto será outro membro da USO, sindicato maioritario no sector. Dacal, presidente do comité de folga, asegura que dimite por razóns "persoais e de saúde" Ademais, a oposición parlamentaria pediu á Xunta que "sente" para tratar de poñer fin ao conflito na Xustiza, mentres que o PP considera que o remate desde conflito está "en mans dos sindicatos". Na xunta de portavoces, En Marea e BNG pediron que Rueda comparecese no vindeiro pleno, unha proposta rexeitada polos populares. O portavoz do PP na Cámara, Pedro Puy, argumentou que Rueda "xa compareceu" o pasado 6 de marzo, mentres que a viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Patricia Vilán, explicou que por parte do seu grupo "non habería ningún problema" en que esta comparecencia se producise, tendo en conta que "está ben" que o Executivo compareza. Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, acusou a Rueda e a Feijóo, dunha "irresponsable actitude en todo este conflito", sobre o que advertiu de que "non se pode pechar en falso". A portavoz do BNG, Ana Pontón, considerou "lamentable" que a súa solicitude conxunta non saíse adiante e criticou a "prepotencia" do vicepresidente, ao que esixiu "abandonar" a "intransixencia", pois o obxectivo, dixo, non debe ser "dobregar" unha das partes. "Non entendo como hoxe ten unha cadeira baleira a Xunta", recriminou. O PP rexeita a petición de En Marea e BNG para que Rueda compareza no pleno Así, Villares demandou "un esforzo final" ante a existencia de posturas "non moi afastadas" e censurou que o Goberno "tratou de romper a unidade sindical" para lograr "un acordo que non garantía a paz social". Para a socialista Patricia Vilán, a Xunta "ten que dar un pouco de sensatez", e propuxo que as partes senten "para poder falar", chegar a outro preacordo e que os traballadores volvan votar, pois "eles son os que teñen a última palabra". Respecto diso, Puy lembrou que tras a última votación "falouse de ameazas e outras circunstancias" que en certos escenarios, segundo reflexionou, levan a que os resultados sexan anulados. |
PRAZA_1171 | A proximidade de eleccións, sobre todo se estas traen consigo a posibilidade dun cambio político, agudiza o enxeño dalgunhas formacións políticas para axitar o voto do medo. Estes son algúns exemplos da última década en Galicia. | Non é unha novidade, senón un clásico electoral. A proximidade de eleccións, sobre todo se estas traen consigo a posibilidade dun cambio político, agudiza o enxeño dalgunhas formacións políticas para axitar o voto do medo, advertencias que se mesturan coas peticións de voto e que, as máis das veces, teñen pouco ou nada que ver coa realidade. Esta técnica, tan vella como o propio procedemento electoral, ten en Galicia algúns fitos senlleiros aos que nos últimos días se está a engadir a teimosía de Alberto Núñez Feijóo por ameazar varias veces ao día coa posibilidade de que múltiples concellos do país acaben converténdose en "pequenas Venezuelas" se despois do 24-M acceden aos seus gobernos distintas forzas da esquerda. Pero antes houbo outros. Aínda que sería posible realizar unha antoloxía do medo electoral dende os comezos da andaina autonómica un posible inicio do percorrido polos terrores máis recentes é o comezo da década pasada, cando o derradeiro e atribulado goberno de Manuel Fraga vía cada vez máis próxima a posibilidade de que unha coalición de socialistas e nacionalistas puidese ascender ao poder. Nun clima político cada vez máis convulso e con crecentes protestas sociais por conflitos como as vacas tolas, a xestión do Prestige ou a guerra de Irak o daquela presidente da Xunta afrontaba as eleccións municipais de 2003 advertindo de todo un caos se, como despois aconteceu, PSdeG e BNG desbancaban os candidatos populares dalgunhas destacadas alcaldías. Neste contexto, Fraga advertía de que un goberno do PSdeG equivalía a un goberno dos "comunistas", toda vez que o partido daquela dirixido por Emilio Pérez Touriño dicía que "quere acabar cos burgueses". Maiores eran as advertencias para o BNG, que na altura xa compartía goberno cos socialistas en concellos como Lugo ou Santiago. O Bloque, dicía o titular da Xunta, "quere poñer unha parede en Pedrafita" e se gobernaba en Galicia seguiría o modelo "dalgúns vascos" que "queren co terrorismo mellorar o país". Na campaña electoral de 2005 Fraga aseguraba que "Unha coalición de PSdeG e BNG podería facilitar a chegada do terrorismo a Galicia" Algo tan grave como o terrorismo foi outra das ferramentas de campaña do propio PP dous anos máis tarde, cando se impuxeron os ditados da dirección estatal do partido que levaron a Fraga a adiantar as eleccións ao 19 de xuño de 2005. Mentres as enquisas auguraban a perda da maioría absoluta unha asociación de vítimas do terrorismo aseguraba nunha rolda de prensa na Coruña que, se o PP perdía a Xunta, "dentro de pouco teremos aquí a ETA". Pouco despois Fraga era preguntado ao respecto por Iñaki Gabilondo na Cadena SER e ratificaba a ameaza: "Unha coalición PSdeG-BNG podería facilitar a chegada do terrorismo a Galicia", sentenciaba o patrón da dereita. Panfletos 'anónimos' sobre a incautación de terras Menos de catro anos despois daquelas advertencias de Fraga o electorado galego foi chamado de novo ás urnas para renovar o Parlamento. As carreira previa ás eleccións autónomicas de 2009 foi unha das máis duras que se lembran. Así, por exemplo, no primeiro día da campaña moitos carteis electorais das forzas que sustentaban o goberno apareceron acompañados por outros que, coas cores corporativas do PSOE, atacaban con dureza a xestión de Touriño e Quintana. Nos días seguintes sucedéronse as filtracións, os anónimos dirixidos aos medios de comunicación, os correos e as noticias falsas e mesmo a difusión dun accidente de tráfico do vicepresidente da Xunta que nunca sucedera. "O PSOE e o BNG queren quedarse coas túas terras", dicía un panfleto atribuído ao PP tres días antes das eleccións galegas de 2009 Cando faltaban tres días para a cita coas urnas en varias localidades da provincia de Ourense difundíronse panfletos que, con ningún logotipo e abondosas faltas gramaticais, alertaban dunha supostas perversas intencións de socialistas e nacionalistas. "¿Queres quedar sen as túas fincas?", preguntaba o encabezamento do escrito, cuxa impresión e difusión foi atribuída ao PP. "Se goberna o BNG e o PSOE pódenche quitar as túas terras e darllas a outros coa excusa de que non as traballas", continuaba o texto. "Se goberna o BNG e o PSOE non podes vender e mercar as túas fincas libremente", agregaba, antes de citar varios artigos da lei do Banco de Terras. "O PSOE e o BNG queren quedarse coas túas terras", "en defensa da liberdade e da propiedade das túas fincas, o 1 de marzo di non ao bipartito", culminaba. O perigo radical e/ou bolivariano Nas seguintes convocatorias electorais sucedéronse as vitorias do PP e, se cadra por iso, o partido da dereita afrouxou o discurso do medo, cando menos en Galicia. Así, por exemplo, na campaña autonómica de 2012 tanto Feijóo como Rajoy apenas pasaron das apelacións máis ou menos xenéricas a infundir temor sobre un posible goberno bipartito ou tripartito. "Galicia non está para bromas", dixo Rajoy na praza de touros de Pontevedra, mentres Feijóo axitaba sen excesiva paixón a pantasma da presunta "imposición" do galego. A chegada de Podemos e as 'mareas' levou os populares a recuperar o discurso do medo Pero chegou Podemos e todo cambiou. As eleccións europeas supuxeron un duro golpe ao bipartidismo en todo o Estado e en Galicia trouxeron consigo o menor número de votos ao PP dos últimos vinte e cinco anos. Neste contexto, a formación das 'mareas' municipais e a posible formación de gobernos de esquerda tras o 24-M levou os populares a instalarse de novo no discurso do medo, agora asentado nunha suposta chegada aos muncipios de gobernos "radicais", "separatistas" ou "bolivarianos". |
PRAZA_12885 | No centro de Dajla unha media lúa de haimas fai ás veces de anfiteatro no que mostrar un espectáculo extraordinario: durante varias horas comunidades de diferentes campamentos de refuxiados demostraban a súa cultura e costumes, bailando e recibindo aos visitantes baixo a carpa tradicional. | No centro de Dajla unha media lúa de haimas fai ás veces de anfiteatro no que mostrar un espectáculo extraordinario: durante varias horas comunidades de diferentes campamentos de refuxiados demostraban a súa cultura e costumes, bailando e recibindo aos visitantes baixo a carpa tradicional. Nómades, camelos, resistentes da guerra contra Marrocos e mulleres que mantiveron a vida nos campamentos durante os duros anos de confrontación bélica, comparten escenario cos actores do cine español, os visitantes solidarios e unha delegación do Circo Social que virá. Un exército de narices vermellos invade o zoco das culturas rodeado de montañas de nenos/as saharauís que perseguen os zancos de Andrea e Anselmo, o cabalo de Lokonuk e a maxia de Pablo. Abrazamos aos militares, actuamos para as compañías folclóricas, e acabamos subidos nos camelos… Cando o acto acaba, improvisamos unha clase de acrobacias con nenas e nenos, que se levantan sobre os meus ombreiros coa V de vitoria formada nos seus dedos e tatuada no seu sorriso. Resistentes da guerra e mulleres que mantiveron a vida dos campamentos nos anos duro comparten escenario cos actores do cine español Ducias de cámaras de televisión rexistran esta Mini Expo do mundo árabe, na que durante un día os campamentos saharauís convértense na asemblea xeral das nacións unidas, na esperanza. Dúas horas de payasadas rebeldes dentro do mellor festival de cine do mundo, o FISAHARA, 2 horas que se converten nunha promesa de futuro: regresar pronto a este recuncho do mundo onde a xustiza está esperando a levantar o voo, onde a humanidade dorme baixo promesas vacuas de políticos corruptos, onde a liberdade está tan lonxe como as costas que lles roubaron ao pobo saharauí…. Durante dúas horas a risa deste pobo encheu o deserto de primaveras novas. |
NOS_28802 | Primeiras figuras do folque internacional xunto a noveis con moito futuro, actividades paralelas con protagonismo do audiovisual e unha aposta pola recuperación da praia de Morouzos son as novidades deste ano para o mítico encontro do mundo celta. | O Festival de Ortigueira chega á súa XVIII edición procurando manter as características que fixeron del o punto de encontro do chamado "folque celta". Alén da propia programación musical, a organización ten prevista a recuperación da mítica praia de Morouzos para o campismo do festival. Lonxe quedarán as molestas carpas "dance" que proliferaron outros anos e as molestias que causaban nos visitantes. Unha condición ten clara a organización: as actuacións continuarán sendo de balde, un xeito diferente de loitar contra a crise.Na programación manteñen, como cada ano, a apertura do festival como unha das apostas máis firmes polos novos valores con futuro na música folque. Continúa o escenario Runas que nesta edición traspasa fronteiras pois xunto ás formacións galegas Avelaíña, Rastrexos Project e Alén de Ancos hai que engadirlle a presenza dunha banda xaponesa, Harmonica creams. Unha das apostas máis firmes do festival é a dos grupos noveis No escenario principal comparten protagonismo as bandas de música, unha chiscadela ás orixes do festival, coas actuacións da Bagad Glazik Kemper (Breizh, Bretaña), a Banda de gaitas de Verín (Galiza), a Escola de gaitas de Ortigueira (Galiza) e a Oban pipe band (Alba, Escocia). En grupos internacionais xunto a Crema de gaita (Galiza), este ano veremos a Stolen Notes (Andalucía), Blazin' fiddles (Alba, Escocia), Jamie's Smith Mabon (Cymru, Gales), The Rua Macmillan band (Alba, Escocia), Electric céilí (Eire, Irlanda). Pódese consultar o horario dos concertos aquí.Programación paralelaNon todo é musica en Ortigueira. Este ano introdúcese o mundo audiovisual procurando responder ás expectativas dun público cada vez máis esixente. Neste eido preséntase o documental sobre a gaita galega "DefolXXI" (Sábado 14, 20 h., Teatro de Beneficencia) un proxecto documental dirixido por David Ramos, no que se intenta poñer ao día da situación da gaita galega no século XXI. "Aproveitei que o sector do guión, no que traballo, deixábame tempo e decidín realizar un audiovisual sobre este instrumento", descubre Ramos. Botou man de amizades na construcción, músicos, profesionais en xeral que lle descubriron que o mundo do noso isntrumento nacional é "máis amplo" do que pensaba. "Non quixen facer unha obra enciclopédica, só un achegamento de 50 minutos", sinala, "e sorprendeume que as persoas que viven no mundo dese instrumento chegan a non entender a vida sen el", asegura o director e guinista. A fotografía tamén estará presente no festival da man dunha mostra que reúne, baixo o nome de "Antoloxía do Festival", a historia en imaxes deste encontro musical. No Centro de recepción de visitantes recupéranse imaxes de fotoxornalistas como Gabriel Tizón, Xulio Villarino e Xoán Piñón, ou, máis recentemente, Kiko Delgado e Ángel Manso. "Foi unha experiencia moi enriquecedora", comenta Villarino daquel traballo, "Ortigueira ten un perfil de xente moi particular e tiven todas as facilidades do mundo", sinala. No seu caso acceder a quitar fotografías no festival permitiulle procurar unha estética onde a diversidade foi o eixo central. Outra das actividades paralelas é unha exposición que revisa as orixes do propio festival a través do material dun dos seus cofundadores, Francisco Bermúdez, propietario do último obradoiro de gaitas de Ortigueira. "Eran outros tempos, lembro que para facer o primeiro festival pedimos un crédito", conta Francisco. "Daquela precisabamos un millón de pesetas e no grupo Javier puxo de aval a casa dos pais e Álvaro un monte da súa avóa". En 1978, cando decidiron comezar coa aventura deste festival, contaban con chegar a ter 5.000 visitas e ao final estiveron 9.000 persoas en Ortigueira. "Lembro os impedimentos de todo tipo como a imposición do Ministerio de Cultura de que se fixera en Vigo ou A Coruña para ter a subvención e non quixemos". Agora fotografias, cartaces e prensa estarán no Centro de recepción de visitantes e na Casa consistorial para que teñamos oportunidade de saber algo máis de como xurdiu o Festival que hoxe coñecemos. |
NOS_55940 | Ana Pontón insta Núñez Feixoo a que exixa os fondos que merece Galiza e Gonzalo Caballero solicítalle "lealdade" co Executivo español. | A Conferencia de Presidencias convocada por Pedro Sánchez na Rioxa esta sexata feira, 31 de xullo, contará coa asistencia do mandatario galego en funcións, Alberto Núñez Feixoo, que solicitará a elaboración e posta en marcha dunha lexislación sanitaria e dun protocolo de abrochos para todo o Estado. "Non pode haber 12 formas de actuar nunha única nación. Unha cousa é unha nación descentralizada e outra é descoordinada", valorou esta quinta feira, 20 de xullo, Feixoo en relación ao Estado español, ao anunciar os temas que levará á Conferencia de Presidencias. O titular da Xunta en funcións tamén pedirá, ao redor do financiamento, que o reparto de fondos do Estado ás comunidades para paliar a crise contemple a realidade galega, sobre todo no que ten a ver co envellecemento poboacional e a dispersión xeográfica da mesma, cuestións que encarece a prestación de servizos. Con todo, o Partido Popular votou no Congreso a favor dos criterios de repartición dos fondos deseñados polo Goberno español e que ignoraban estas cuestións. Así, a Galiza, resultou discriminada na primeira das catro entregas dos fondos Covid ás autonomías. "Non se pode repetir a repartición do fondo Covid", dixo o dirixente galego, que advertiu de que son "uns criterios do Ministerio que non son compartidos pola inmensa maioría das comunidades" e que "beneficiaron claramente" a dúas comunidades (Catalunya e Madrid, que levan a metade dos fondos). Pontón marca os deberes de Feixoo na conferencia A líder da oposición e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu ao Goberno en funcións de Feixoo "máxima exixencia" co Executivo do Estado para que a Galiza reciba "a parte que lle corresponde dos 140.000 millóns de euros do fondo de recuperación" aprobado pola Unión Europea para afrontar a crise. Pontón criticou que a menos de 24 horas do encontro con Pedro Sánchez "non houbese sobre a mesa" por parte do presidente galego en funcións "ningunha iniciativa en relación a cantos deses fondos debe recibir Galiza, cales deben ser os criterios de distribución entre os diferentes territorios nin sobre que proxectos estratéxicos se queren financiar con cargo a estes recursos". Dese modo, a nacionalista pediu a Feixoo que teña "lealdade coa Galiza" e que manteña "máxima exixencia ante Madrid sen caer na confrontación estéril, porque se trata de conseguir que a Galiza reciba os fondos que lle corresponden". Pontón tamén emprazou o popular a apostar por "sacar adiante un acordo de país" coas forzas políticas para defender ante o Estado que Galiza reciba cada euro do que lle corresponde do fondo europeo, porque nesta crise cada euro conta e non pode quedar nada polo camiño", explicou Pontón. Caballero pide lealdade co Goberno español Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu a Feixoo que acuda á conferencia con vontade de "cooperar" e que abandone "a liña de confrontación". Nese sentido, pediu un apoio da Galiza ao Goberno estatal "en todas aquelas medidas que poidan favorecer a defensa da saúde e a construción dun escudo protector" para as persoas con máis vulnerabilidade, dixo. "Recomendamos ao presidente da Xunta que teña lealdade e colabore cun Goberno de España que prioriza a saúde, loitou polos fondos europeos e que drena cara ás comunidades autónomas a maior cantidade de fondos para loitar contra a crise", manifestou Caballero. |
NOS_3116 | A CIG alega ao prezo voluntario da enerxía ao pequeno consumidor e presentou unha serie de alegacións á consulta pública que puxera en marcha o Ministerio de Transición Enerxética. | A CIG anunciou en rolda de prensa que presentou unha serie de alegacións á consulta pública sobre o prezo voluntario da enerxía ao pequeno consumidor (PVPC) que puxera en marcha o Ministerio de Transición Enerxética e que finalizou a pasada sexta feira. O responsábel de Enerxía da CIG, Fernando Branco Parga, explicou que nas alegacións do sindicato introduciron a necesidade de abrir un debate sobre todo o sistema eléctrico. "O Ministerio, o propio Goberno español e a Xunta da Galiza están superados pola situación", sinalou Branco. Apuntou que a resposta agora foi "parchear", como no caso "do anuncio de Pedro Sánchez de 100 millóns de euros para as e os consumidores vulnerábeis". Para este sindicalista "habería que actuar sobre todo o que compón o mercado marxinalista" así como "sobre o propio sistema fiscal que permite perversións como que a tecnoloxía máis barata do sector, 5 ou 6 euros megawatt hora como é a hidroeléctrica, marque o prezo máis alto moitas horas do día por enriba dos 200 euros". Alén diso, Branco asegurou que presentarán propostas propias en todas as consultas que faga o Ministerio. "Xa o fixemos o ano pasado cando se modificaron os cargos e as peaxes do sistema co novo sistema horario, e non as tiveron en conta", lembrou, "cando agora demostrouse que ese sistema co horario máis barato en realidade é o máis caro" polo que "hai que corrixilo indo á raíz do problema". Proposta de tarifa eléctrica galega "Son urxentes as actuacións de intervención pública para que se implante unha tarifa eléctrica que garanta unha vida digna e un desenvolvemento industrial que cree postos de traballo", asegurou o secretario xeral da central sindical nacionalista, Paulo Carril. O líder sindical chamou a superar o "prezo único" para todo o territorio do Estado español porque, "cada vez é menos certo" e porque "é inxusto para Galiza", que ten a "indiscutíbel condición de produtora", soportando desde hai décadas "o forte, agresivo e duro impacto" derivado das instalacións de xeración de electricidade. Para a CIG, Galiza, malia ser produtora de electricidade, "soporta, como xa ten sucedido, non redución do recibo eléctrico, senón recargos polos denominados suplementos territoriais", mentres os lugares de destino desta enerxía "están a salvo do mesmo, ou mesmo beneficiados por bonificacións", dixo. Por iso demandou que, no caso galego e doutros territorios produtores, non se integre na PVPC a peaxe de transporte "pola proximidade dos centros de xeración, pola eficiencia enerxética, ao non producirse perdas de tensión, e polo forte impacto no territorio da rede e infraestrutura de evacuación e subministro aos centros de consumo". Propuxo, ademais, bonificar o impulso das renovábeis, cunha redución do 10% da tarifa eléctrica mensual aos domicilios na comunidade onde, no ano anterior, se dea ao mesmo tempo "unha produción de eléctricidade por fontes renovábeis igual ou superior ao 70% da produción total da comunidade autónoma e se exporte unha porcentaxe igual ou superior ao 30%". |
NOS_6665 | En Bueu e Oia. | Aparecen dúas baleas mortas nas costas galegas en apenas 24 horas, esta sexta feira no Porto do Costado (Oia) e o día anterior en Beluso (Bueu). Foron uns mariñeiros quen esta quinta feira descubriron aboiando no mar o cadáver dun cetáceo de case 20 metros de longo e que acabou sendo remolcado até o porto de Marín por unha embarcación de Salvamento Marítimo. A hipótese apontada é que o cetáceo, en avanzado estado de descomposición, morreu por mor dunha colisión cun buque de gran tamaño pois tiña a columna vertebral quebrada. Ao día seguinte, o corpo dunha balea de 20 metros de longo e unhas 30 toneladas de peso apareceu varado no Porto do Costado, Oia, onde foi descuberto por un veciño, que procedeu a avisar aos servizos de emerxencias. Até a zona desprazouse tamén persoal da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), que determinou que a balea podía levar 24 horas morta. Ao longo de 2017 producíronse en Galiza varios avistamentos de diferentes tipos de baleas, entre eles cinco da gran balea azul (Balaenoptera musculus), de rorcuais comúns (Balaenoptera physalus), rorcuais de ás brancas (Balaenoptera acutorostrata), rorcuais boreais (Balaenoptera borealis) e xibardas (Megaptera novaeangliae). |
NOS_7373 | Unha familia de Lavadores ficará sen morada nas vindeiras semanas. | Viven con pouco máis de 500 euros ao mes que proceden dunha axuda familiar e unha pensión de manutención o que lles fai imposíbel facer fronte ao pagamento do aluguer (325 euros) e aos custes diarios de catro persoas. Adebedan 6 meses e as persoas propietarias da vivenda acudiron finalmente ao xulgado. Esta familia de Lavadores, en Vigo, formada pola nai e tres crianzas de 19, 15 e 6 anos está a piques de ser despexada sen que exista unha alternativa habitacional por parte das administracións públicas. A familia vive con apenas 551 euros ao mes e paga 325 de aluguer, adebeda 6 meses Nen a Xunta de Galiza nen o Concello de Vigo din contar con vivendas públicas coas que garantir que esta familia non fique na rúa. Dunha banda o goberno galego afirma que coas dúas últimas moradas concedidas a unha familia do Calvario e outra de Teis o Instituto de Vivenda e Solo non conta con máis pisos. Entretando, o executivo local, liderado por Abel Caballero (PSOE) continúa adiante coa venda de 15 vivendas da súa propiedade localizadas na rúa Rosalía de Castro con cuxos beneficios, di, construirá a Cidade da Xustiza, agora proxectada no antigo Hospital Xeral. O Concello de Vigo está a vender vivendas da súa propiedade para financiar a Cidade da Xustiza Desde PAH-Vigo, a Rede Solidaria Popular e colectivo Os Ninguéns reclaman ao concello que non venda as vivendas e cree con elas un parque público para emerxencias como a que atinxe a familia de Lavadores ou Eugenia Alonso, desafiuzada o 10 de febreiro e en listaxe de agarda para acceder a unha vivenda protexida desde 2010. Porén, o PSOE bota balóns fóra e di que se trata dunha competencia da Xunta garantir que a familia non quede na rúa. Neste senso, o goberno galego proxecta a construción, que xa foi licitada, de 74 vivendas sociais en Lavadores, porén, estas tardarán cando menos catro anos en estar disponíbeis. |
NOS_30751 | Omar Mansur, actual ministro de Interior da República Árabe Saharauí Democrática, analiza o estado actual do conflito con Marrocos e a nova postura adoptada polo Goberno español. Mansur, nunha entrevista co medio vasco Berria, insta Rabat a permitir un referendo de autodeterminación no Sáhara Occidental. | —O Goberno español expuxo estes pasados días a súa visión do que ocorreu en relación á soberanía do Sáhara Occidental. Na súa opinión, que pasou e que consecuencias ten a decisión que se tomou desde Moncloa? É unha mágoa que Madrid ceda así a Marrocos polas presións migratorias. Á vista do programa do PSOE, pensabamos que Madrid mantería a folla de ruta preparada pola ONU para o Sáhara Occidental, que garante o dereito de autodeterminación do territorio, e avogar por unha vía permanente de resolución do conflito. Madrid vendeunos sen ningún pudor, o mesmo que en 1975. Posteriormente, vendeu armas a Marrocos, o Estado ocupante, a pesar de saber que as utilizaría contra a Fronte Polisario, os saharauís en guerra pola soberanía e a independencia. Agora, os saharauís volveron ser vendidos sen ningún argumento. A nova situación xerou certa conflitividade ou polo menos incomodidade cos países do Magreb –salvo Marrocos–, que son pro saharauís. —Que efecto ten esta decisión na resolución do conflito? Ningún. Vai en contra da lexislación internacional. Ningunha decisión que non se axuste ás resolucións do Consello de Seguridade verase afectada. Hai que ter en conta que hai decisións xudiciais europeas que confirman que Marrocos e o Sáhara Occidental son dous territorios e que Rabat non ten ningún dereito respecto ao Sáhara Occidental, nin na súa costa, nin na súa plataforma continental nin no seu espazo aéreo. O Goberno español é consciente diso e non ten ningunha capacidade para convencer á opinión pública española. Oponse a que Rusia invada Ucraína e denuncia que se trata dunha invasión. A invasión que ten ao seu lado, con todo, cualificada de invasión pola propia ONU, acordouna con Marrocos por agocho. Cando a ONU aprobou 74 resolucións que recoñecen o dereito de autodeterminación do Sáhara Occidental. Para que o Sáhara Occidental poida ser considerado autonomía marroquí, Rabat debe adquirir autoridade sobre o territorio. E en 46 anos non o conseguiu nin pola vía militar nin pola xudicial. Se Rabat ten claro que os independentistas saharauís son minoría, fagamos un referendo. —Como tomou a poboación saharauí a decisión? Deulles vergoña e espertoulles decepción. Tamén aos países veciños, incluído Alxeria. Se a Madrid lle gusta tanto ser amigo de Marrocos, que lle regale o Palacio Real ou a fonte Cibeles, mais vender a casa do veciño non é procedente. Propor aos saharauís que sexan unha autonomía de Marrocos é humillalos, tirar ao lixo os 96 anos de historia común de españois e saharauís. Como xustificación, Madrid dixo que quere crear unha relación diferente con Marrocos para que sexa un membro fiábel. Fiábel, de quen e Marrocos? Pensar iso é non ver a historia das relacións entre España e Marrocos. Rabat nunca foi fiábel, en nada. Nin na loita contra o terrorismo, nin en materia migratoria, nin no tráfico de drogas, nin en materia de fronteiras, nin en nada. Pretender conseguir unha relación fiábel con Marrocos é non ver a historia entre España e Rabat. —Como é a vida da cidadanía no Sáhara ocupado? Marrocos conta no territorio con 100.000 membros das forzas militares, incluídos soldados e policías. Hai colonos civís en toda a costa e teñen monopolizado o sector pesqueiro. Outros se dedican a construír estradas, ou comercios, e ceden aos saharauís os postos de traballo que non queren. Os colonos atopan traballo inmediatamente despois de chegar do norte. Os saharauís, con todo, non atopan traballo na súa terra, nin estudan nin se gradúan. O referendo, vía para solucionar o conflito O Goberno español "violou" a política do Sáhara occidental nos últimos 47 anos, mais Omar Mansur di que o novo camiño ordenado por Pedro Sánchez "non cambia nada". Mansur, líder histórico da Fronte Polisario, unha organización política e armada que loita pola independencia do Sáhara Occidental, considera que España "sempre estivo ao lado de Rabat" sobre a cuestión saharauí. Mansur, que é o actual ministro do Interior da República Árabe Saharauí Democrática, advertiu de que un referendo acorde co contido das resolucións da ONU é a única forma de acabar co conflito cos ocupantes marroquís, que recollen o dereito de autodeterminación dos saharauís. Os habitantes dos terreos ocupados, pola súa parte, levan anos atrapados nun conflito xeado e sometidos a un réxime que actúa sen miramentos e que está a saquear o Sahara occidental sen ter autoridade na zona. |
NOS_53202 | Con tan só 32 anos, Robert Eggers (1983) sorprendeu todo o mundo coa inquietante A bruxa (Premio a Mellor Dirección en Sundance), un filme de terror que mesturaba relixión e bruxería, baseado en mitos e lendas do século XVII. Na súa segunda achega, continúa nesta liña de incluír, como eixo principal, a superstición e a mitoloxía. | O faro desenvólvese a finais do século XIX nunha afastada illa próxima a Nova Inglaterra. Dous fareiros van recalar alí durante catro semanas até que chegue o seguinte relevo. A pouco de chegar, o máis vello (Willem Dafoe) impón a súa experiencia e galóns sobre o máis novo (Robert Pattison). Dun comezo semellante só se pode agardar que as cousas vaian a peor. E así é. Un mes con dous homes rudos convivindo nun lugar presidido por un falo, perdón... "faro" xigante é máis que dabondo para que todo acabe como o rosario da aurora. O faro | Canadá-EUA , 2019 | Robert Eggers O primeiro que chama a atención é o formato (case) cadrado da imaxe. Rodouse en 35 milímetros e en branco e negro a fin de achegarse á fotografía de finais do século XIX e principios do XX. Un formato que crea unha atmosfera opresiva de por si e que, ademais, nos retrotrae a cinematografías tan excelsas como as de F.W. Murnau, Jean Vigo ou Luis Buñuel. Excelente traballo do director de fotografía Jarin Blaschke, co que tamén contara Eggers para o seu debut. A historia evoca poderosamente o imaxinario de H.P. Lovecraft e a narrativa de Edgar Allan Poe. Tamén conta con influencias doutros clásicos literarios como Robert Louis Stevenson ou Herman Melville, conexións coa mitoloxía grega, referencias a xornais da época e, sobre todo, ao traballo da novelista Sarah Orne Jewett (1849-1909), reivindicada nos títulos de crédito finais como unha das máximas inspiracións para o desenvolvemento dos diálogos. Duelo interpretativo grandioso entre Dafoe e Pattison. A priori o actor de Crepúsculo levaría as de perder fronte un dos actores co rostro máis maleábel de Hollywood, con catro nomeacións aos Óscar, unha Copa Volpi en Venecia (por Van Gogh, ás portas da eternidade) e uns cantos premios honoríficos ás costas... pero Pattison resiste ben e, mesmo, ten momentos memorábeis. De lonxe, a súa mellor interpretación até a data. Ambos manteñen unha relación tremendamente tóxica. A desconfianza, o abuso de poder, a luz de gas e a soidade fan estragos na parella de fareiros chegando a un estado de loucura onde o onírico e o real conflúen nun clímax final de pesadelo. Un final que, aviso, pode perturbar os soños das mentes máis avezadas. O verde adoita ser sinónimo de esperanza pero neste contexto achégase máis ao significado de pezoña. |
NOS_15860 | Un novo semanario saíndo do prelo e tan completo como sempre. Falamos con Berrogüetto, entrevistamos á meteoróloga Bea Hervella, viaxamos a Escocia para partillar a súa paixón pola independencia, debullamos novos proxectos de deseño. Xa dispoñíbel na nosa loxa. | Sermos Galiza nº84. Xa está a saír do forno. Un pasiño máis no camiño da prensa en galego. Neste semanario, achegámonos até as persoas desempregadas que non cobran ningunha cotización. Son máis de 120.000 e a mingua da rede social sitúaas nas portas da exclusión. Tamén falamos da folga no ensino do vindeiro 20 de febreiro, Afondamos nos por qués, falamos con representantes das entidades convocantes, explicamos que é o que nos xogamos... No eido da Política metemos o dente na aposta do PP por facer o haraquiri parlamentar e achegámonos á postura do nacionalismo sobre o euro (cunhas eleccións europeas á vista). E achegámonos até os laboristas escoceses que apoian a independencia. Cicloxénese explosiva Entrevistamos á meteoróloga Bea Hervella, que nos debulla as chaves do tempo que sofremos nestas semanas. Unha vaga de temporais que ten efectos prexudiciais na frota pesqueira galega, que acumula perdas e frustracións. Mais neste Sermos hai moito máis: entrevistamos á artista Tareixa Taboada e a contadora e fotógrafa Soledad Felloza, así como ao critico de cinema Andrés Castro. |
NOS_12397 | Seis mil persoas, segundo a organización, exixiron xustiza e responsabilidades pola estafa das preferentes | Máis de seis mil persoas participaron hoxe na manifestación para reclamar solucións polas participacións preferentes das caixas galegas. Autocares de todos os puntos do país chegaron ao longo da mañá no que xa é a maior concentración das vítimas desta estafa. A partir das 12 horas ocuparon as rúas onde están as sedes da Subdelegación do Goberno, o Novagalicia Banco e o Banco de España. Polo camiño escoitáronse consignas como "non máis corralito" e outras con alusións directas a Núñez Feijóo e os responsábeis das entidades bancarias. Entre os participantes estaba Francisco Jorquera, candidato do BNG á Xunta, que solicitou do goberno central a actuación da Fiscalía Xeral do Estado así como a creación de comisións de investigación. Tamén fixo declaracións aos medios o socialista José Luís Méndez Romeu que remitiu a Núñez Feijóo a responsabilidade "de estar de lado dos cidadáns". A Asociación Galega de Afectados por productos financeiros constituída recentemente será recibida polo fiscal xefe de Galiza Castellano e chourizosA marcha finalizou no Obelisco da Coruña onde Teresa Moure e Miguel Pernas leron un manifesto. Despois algunhas das persoas continuaron até a Praza de Azcarga, onde está situado o domicilio de José María Castellano, o presidente da entidade bancaria ao que afecatdos e afectadas demandan os seus aforros. Neste lugar queren rematar "comendo un bocadillo de chourizo" en alusión o propio directivo. A Asociación Galega de Afectados por productos financeiros constituíuse recentemente, e será recibida a principios da próxima semana, polo fiscal xefe de Galiza, Carlos Varela, para tratar toda a problemática derivada das preferentes. |
NOS_48817 | Os países aliados debateron e acordaron a nova estratexia a seguir pola organización atlantista en materia de seguridade internacional. | Rusia, ameaza "máis directa e significativa" O "desafío" de China Relación Moscova-Pekín Importancia das armas nucleares Política de portas abertas A primeira xornada da cimeira da OTAN que decorre en Madrid esta cuarta feira deixou como principal noticia a redacción e aprobación dun novo Concepto Estratéxico da organización atlantista, que vén a substituír o aprobado hai xa 12 anos na cimeira de Lisboa. Este documento recolle a estratexia que desenvolverá a OTAN nos vindeiros anos, e que vai desde as relacións entre os países que forman parte da Alianza até as relacións con actores externos como Rusia e China. Rusia, ameaza "máis directa e significativa" Se no Concepto Estratéxico aprobado en Lisboa en 2010, a OTAN resaltaba a "importancia" da cooperación con Rusia, ao considerala unha cuestión que contribuía a "crear un espazo común de paz, estabilidade e seguridade", a nova estratexia aprobada esta cuarta feira dá un xiro de 180 graos a esa política de colaboración. A OTAN sinala Rusia como ameaza "máis directa e significativa" Para a organización atlantista, Rusia converteuse na ameaza "máis directa e significativa" para a "seguridade, a paz e a estabilidade euroatlántica". Os aliados acusan Moscova de "tratar de desestabilizar países ao leste e ao sur" da OTAN, e aseguran que . "A súa postura militar e a súa retórica socavan a orde internacional". "No norte, a súa capacidade para quebrantar a liberdade de navegación dos aliados no Atlántico supón un desafío estratéxico para a Alianza. O aumento militar de Rusia na zona, incluído o mar Báltico, o mar Negro e a rexión do Mediterráneo, así como a súa integración con Bielorrusia, pon en risco a nosa seguridade e os nosos intereses", sostén. O "desafío" de China Esta nova estratexia fai fincapé no papel de China como un "desafío" para o organismo militar. A OTAN afirma que ambicións políticas en materia internacional do Goberno chinés "desafían os nosos intereses, seguridade e valores". Biden advirte que intervirá militarmente en Taiwán "se é invadido pola China" O documento afirma que "as operacións maliciosas híbridas e cibernéticas da República Popular Chinesa e a súa retórica confrontacional e de desinformación teñen como branco aos aliados e danan a seguridade da Alianza". Para a OTAN, o xigante asiático "busca controlar sectores chave tecnolóxicos e industriais, infraestrutura crítica e materiais estratéxicos e cadeas de subministración". En resposta a este documento, o portavoz do Ministerio de Asuntos Exteriores de China, Zhao Lijian, exixiu ao organismo militar que non recupere a mentalidade da Guerra Fría e deixe de intentar desestabilizar Asia e outras rexións do mundo Relación Moscova-Pekín Ademais de analizar ambos países por separado, a OTAN abordou tamén a cooperación entre Pequín e Moscova da que tamén asegurou que "vai en contra dos nosos valores e intereses". A pesar disto, a organización atlantista afirmou deixar a porta aberta a manter unha colaboración "construtiva" con Rusia e China. Moscova e Beijing afianzan a súa relación Importancia das armas nucleares Neste novo Concepto Estratéxico, a OTAN destaca tamén a importancia das armas nucleares para a seguridade dos países aliados. "As forzas nucleares estratéxicas da Alianza, particularmente as de Estados Unidos, son a garantía suprema da seguridade da Alianza", recolle o documento. Neste sentido, o organismo militar destacou a achega dos países aliados de aeronaves con capacidade de transporte, xa que "seguen sendo centrais" para a "misión da disuasión nuclear da OTAN ". Ninguén quere renunciar ao poder nuclear O documento destaca "a estabilidade estratéxica" que se logra a través de disuasión e defensa efectiva, o control de armas e desarmamento, así como o diálogo político. Para a OTAN, estes factores aínda son "esenciais para a nosa seguridade". Política de portas abertas Após a reunión a tres bandas desta terza feira entre Turquía, Suecia e Finlandia, na que Recep Tayyip Erdogan levantou o veto á adhesión á OTAN dos dous países nórdicos, a OTAN convidounos formalmente a entrar no bloque militar. Os aliados asinarán a vindeira semana o protocolo de adhesión á OTAN de Suecia e Finlandia Neste sentido, a estratexia da organización atlantista segue a pasar por unha política de portas abertas na que "as decisións sobre a adhesión tómanse polos aliados da OTAN e ningún terceiro ten voz neste proceso". |
NOS_28113 | Ducias de persoas concentráronse na Praza de Armas para denunciar o impacto social e ambiental dun proxecto que afectaría á enseada da Malata e á propia Ría | Ducias de persoas concentráronse na Praza de Armas de Ferrol, en resposta á convocatoria realizada desde a plataforma, integrada por unha trintena de colectivos e asociacións, que se opón ao proxecto de levar o tren ao porto exterior polo trazado sur. Xandro García, un dos voceiros do colectivo, destacou o alto valor ecolóxico e produtivo que ten aínda a ría, malia a falta de funcionamento da depuradora e aos lodos acumulados nela. A construción do trazado sur, co viaduto que teñen previsto, supoñería matar a Enseada da Malata, que vén a ser unha "ría dentro da propia ría". Foto: Susete de Ferrol |
NOS_37032 | Co nome de "Plan General de Colonización de la Tierra Llana", o goberno franquista instalou 189 familias de colonos en Matodoso, Arneiro, Veiga de Pumar e A Espiñeira co obxectivo de reordenar as terras e introducir a mecanización na agricultura. | Unha anécdota conta que un ministro, durante un voo, contemplou o monte galego e pensou na necesidade dunha intervención para transformalo en terreo produtivo. Así foi decidida a intervención do Instituto Nacional de Colonización (INC) da ditadura franquista na Galiza. O sociólogo José María Cardesín comenta que a anécdota "é claramente fantasiosa, mais serve para explicar a lóxica produtivista da Colonización". En 1959 o "Plan General de Colonización de la Tierra Llana" púxose en marcha, o único que chegaría a concretarse no país. Até 189 familias de colonos desprazáronse ás vivendas edificadas ao redor de catro núcleos: Matodoso, Arneiro, Veiga de Pumar e A Espiñeira. Algunhas chegaron desde Negueira de Muñiz, onde deixaban a súa aldea baixo as augas dun dos encoros da ditadura. Amado e Patiño estabelecen un paralelismo entre os poboados da Terra Cha e os edificados pola ditadura de Mussolini no agro pontino, en Italia Cardesín incide en que da actuación do INC deriva "o maior movemento migratorio interior no Estado español do século XX". Logo do seu nacemento en 1939, e entre 1945 e os anos setenta, o organismo transformou a paisaxe rural do Estado edificando máis de 300 asentamentos, aos que se desprazaron ao redor de 55.000 familias. Unha escola, un economato, o edificio do sindicato vertical ou unha igrexa completaban a fisionomía dos poboados. O obxectivo na meirande parte dos casos consistía na reconversión de terras de secaño en cultivos de regadío. Os colonos achegaban a man de obra. No caso galego procurábase unha reordenación das terras e a introdución da mecanización, abrindo camiño á implantación da agroindustria no país. Mudar agras por frisonas A historiadora Ana Cabana, natural da Terra Cha, estudou a actuación do instituto franquista na comarca. Nas súas investigacións desenvolve a rápida mutación da paisaxe tras a aplicación do Plan Xeral desenvolto polos enxeñeiros da ditadura. Dunha agricultura orgánica de policultivos, organizada en agras, derívase á especialización na produción láctea dependente do mercado. En 1956, con Cavestany como ministro de Agricultura, aprobouse o "Plan General de Colonización de la Tierra Llana", que afectaba 2939 hectáreas de superficie, a maioría pertencentes a monte veciñal en man común. Aquel monte improdutivo da anécdota de Cardesín. Este, que chegou a vivir seis meses na Terra Cha durante as súas investigacións sobre os poboados, relata a oposición veciñal ao proxecto cando comezan as expropiacións. Os decretos de expropiación defendían o "interese social" daquela terra pertencente a sete parroquias do municipio de Castro de Rei e a oito do de Cospeito. Após o Instituto Nacional de Colonización desmantelar a agricultura tradicional, hoxe dáse unha especialización na produción leiteira Do monte baixo expropiado, cuberto de toxo e breixo, extraíase o abono imprescindíbel para as agras. A súa conversión en terreo de cultivo supuxo a ruptura cunha agricultura en simbiose coa natureza da comarca. As agras, terras de labranza divididas internamente en campos abertos, cercadas por un feche, rexíanse por un sistema de cultivo colectivo, que desapareceu co INC. Debido á oposición veciñal, as familias de colonos chegarían de puntos afastados dos concellos de Cospeito e de Castro de Rei á área de actuación do Plan Xeral. Un total de 189 familias chegaron a asentarse entre 1959 e 1967 nos catro núcleos de colonización. A partir dos 60 as agras foron substituídas por praderías artificiais e forraxe para alimentar o gando introducido polo INC: a vaca frisona. A mecanización da Terra Cha Tras varias modificacións nos plans de xestión, o INC apostou na especialización das explotacións na produción leiteira. A paisaxe volveu mudar, con cortellos de cemento e a instalación dos enormes silos característicos da comarca. Entre as familias que chegaron aos poboados atopábanse varias cántabras con experiencia no sector. Como explica Cardesín, o organismo achegaba as terras preparadas, a rede de rego e de saneamento. Ademais planificou a mecanización total, co estabelecemento de "Parques de Maquinaria Cooperativa" que ofrecían tractores e todo tipo de ferramentas aos colonos. Abríronse vías de comunicación para facilitar a comercialización do leite ás centrais leiteiras creadas durante a ditadura. A estratexia foi asimilada pola veciñanza da comarca, que tamén derivou as súas explotacións á produción de leite. Os colonos desconfiaban de obter algún día a titularidade da terra e dos seus fogares, xa que o trato co INC estabelecía un prazo de 25 anos para adquirila. "Interesaban estes prazos porque permitía exercer un control sobre os colonos", di Cardesín. Na "Cartilla do colono" levábase conta do producido en cada explotación. "Todo conducía a un endebedamento do colono a respeito do Instituto". As estratexias das familias diferían: había quen trataban de reducir a débeda ao mínimo, considerándoa unha "ameaza para a súa autonomía", e quen, como contou un "maioral" ao que entrevistou Cardesín, "o que quería era anotar". As explotacións leiteiras permitiron aos colonos obter beneficios constantes e previsíbeis, axudándoos a saldar as súas débedas. Mais tamén os converteu en dependentes das comercializadoras do seu leite. O proxecto da Terra Cha transformouse nunha porta de entrada da agroindustria. "A modernización repercute finalmente no sector capitalista, aumentando a extracción da plusvalía do sector agrario", escribía Cardesín nos 80. [Podes ler a información íntegra no número 355 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_33468 | Comparando a relación de postos de traballo do profesorado contratado para dar aulas en infantil e primaria co número de unidades nos colexios da Galiza e a proximidade entre estas, sobrarían ao redor de 50 mestr@s | Segundo a disposición publicada pola consellaría de Educación, que dirixiu Jesús Vázquez na pasada lexislatura, no DOG —Diario Oficial de Galiza— do 28 de setembro de 2012, o persoal contratado para impartir a materia de relixión nos centros de infantil e primaria do país suma un total de 521 docentes. Da comparación entre as horas polas que o profesorado está contratado e as unidades de que dispón cada colexio, recollida na relación de postos de traballo emitida polo mesmo departamento da Xunta do PP, tírase unha conclusión rechamante: non hai ningunha nin ningún docente que complete o horario lectivo polo que está a cobrar. Co ollar posto nestes datos "é ben certo que os mestres de relixión teñen marcadas moitas menos aulas respecto de funcionarios que aprobaron unha oposición", sinala Patricia Ferreira —nome ficticio—, directora dun centro de primaria na provincia de Lugo. Ao repasarmos as cifras das escolas lucenses observamos como en 21 delas o profesorado de relixión imparte menos de 15 horas lectivas á semana. Moit@s teñen unicamente 12, e un mestre, que tamén é sacerdote, ten asignadas 5,5 horas semanais estando contratado por 19. Cómpre sinalar neste punto que na relación de postos de traballo do profesorado de relixión publicada pola consellaría que encabezaba Jesús Vázquez asígnanse 37 horas e media a cada docente, agás en cinco centros. Nestes, as contratacións fixéronse por 19 horas. O profesorado de relixión non se somete a proceso selectivo ningún. "O único requisito é ser propostos polo bispado", informa Patricia Ferreira, quen alerta de que, entrementres na pasada lexislatura se destruíron máis de 2 mil postos de traballo de docentes no ensino público "están a manter ensinantes de relixión cando non fan falta". Subliña que @s mestr@s desta materia non completan as súas horas lectivas "nin sequera nos supostos en que imparten aulas en máis dun centro". Calcula que na provincia de Lugo sobrarían once profesor@s, o que suporía un aforro de 300 mil euros só en infantil e primaria. Ferreira botou contas tomando en conta que moitos centros de ensino están próximos, ensinantes adxudicados a un colexio poderían ter outros itinerantes —como pasa xa, segundo a relación de postos da Xunta— até completar as 37,5 horas. Facendo unha estimación en base a esta premisa, situamos en 15 os postos de docentes de relixión que sobran en Ourense; e uns 10 en Pontevedra e na Coruña. Ferreira di que entre a comunidade educativa se fala de que "en secundaria hai profesores de relixión con 5 horas de aulas á semana que cobran polo menos 300 euros máis que o mesmo docente na primaria—ao equivaleren os postos a grupos distintos de oposicións, nomeadamente A1 e A2— e poden chegar a cobrar máis que un director de primaria coa mesma antigüidade", en referencia a si propia. Para alén de mestr@s, moitos tamén son curas. "En materia de relixión A Coruña e Pontevedra están entrando no século XX, en Lugo estamos no XVIII e en Ourense aínda andan polo XV", subliña a mestra. Recorda que para contratar unha persoa que imparta aulas dunha confesión distinta da católica "cómpre unha cota mínima". Para que non se suprimisen unidades no rural para este novo curso académico a Xunta exixiu tamén un mínimo de estudantes, 18, volvendo ás escolas unitarias ao xuntar alumnado de distintos cursos. Mais para manter @ mestr@ de relixión católica abonda cunha crianza, e non se xuntan niveis. Neste sentido, Ferreira ten claro que "a Igrexa segue a ter dereito de pernada". Concertos coa privada: elas, "a sus labores" Para alén dos privilexios da Igrexa católica á hora de colocar púlpitos nas aulas da Galiza, na anterior lexislatura o PP destinou até 250 millóns a centros concertados, a maior parte deles xestionados por algunha orde relixiosa. Suprimíronse 145 unidades e 12 centros públicos, ao tempo que se crearon 16 unidades novas nos concertados. "Hoxe xa non vale aquela argumentación de que non hai onde meter os rapaces", critica Patricia Ferreira, directora de primaria. Con todo, retomáronse tamén os acordos con cinco colexios segregacionistas onde as crianzas se separan atendendo ao seu sexo. Facendo ouvidos xordos das queixas que chegaron desde todos os elos da cadea educativa e denunciados polos sindicatos, nomeadamente desde CIG-Ensino, a consellaría de Educación repartiu tres millóns de euros entre os centros Monte Castelao, Las Acacias e Aloya en Vigo; e Montespiño e Peñarronda na Coruña; todos vinculados abertamente ao Opus Dei. O diñeiro que neles se investiu permitiría que o programa Preescolar na casa —desmantelado pola política de austeridade da Xunta— funcionase con normalidade durante tres anos. "Os privilexios da relixión católica teñen un efecto desmoralizante no profesorado que superou unhas oposicións na pública", acrecenta Ferreira. Conta que nas escolas de maxisterio "obrigatoriamente polo concordato" hai que ofertar relixión católica, e @ docente percibiría o mesmo salario que unha profesora ou un profesor universitari@. "En Lugo quen imparte as aulas é o secretario do bispo". Por derradeiro, facemos un repaso rápido pola oferta formativa dos centros segregacionistas. Até as actividades extra-escolares perpetúan os roles de xénero: para eles judo, fútbol-sala, xadrez ou atletismo; para elas ximnasia rítmica, patinaxe, aerobic, cerámica ou 'a agulla máxica' —aulas de costura—. Esta información é un dos contidos do número 22 do semanario Sermos Galiza en papel. Pódese facer cun exemplar mercándoo nos quiosques ou subscribíndose para o recibir no seu domicilio. |
NOS_49673 | "Ás veces temos graza, ás veces temos menos e outras veces non temos ningunha graza. E isto foi o que pasou o xoves pasado. Fallamos de principio a fin". Con estas palabras arrancaba na noite da quinta feira o programa da TVG Land Rober, o seguinte emitido após o episodio machista. | Milleiros de ollos estaban postos no inicio do programa Land Rober, da TVG, após "a espectacularización e tratamento morboso que se fixo dun caso de acoso", en palabras do Comité Intercentros da TVG. Precisamente aos "compañeiros e compañeiras" da TVG, "a todos os niveis" dirixiuse na noite da quinta feira o presentador, Roberto Vilar, pedíndolles "desculpas". "Foi culpa nosa non estar á altura das circunstancias", díxolles. Tamén llas pediu, en nome do equipo do programa, á muller afectada. O propio Roberto Vilar tentara promover un encontro entre a moza, que se atopaba entre o público, e a súa ex parella e, fronte á insistencia do programa, ela acabou explicando en antena que puxera fin á relación por sufrir episodios de acoso, control e ciumes por parte del. "Quéroche dar as grazas pola túa reacción, pola túa comprensión e polo teu cariño", díxolle Vilar, quen tamén pediu desculpas á audiencia "a quen vos debemos absolutamente todo o que nos pasa a todo o público en xeral". Despois de explicar que "non debería ter pasado algo así no programa", lamentou que se puxese en cuestión "o compromiso que temos coa igualdade". "Faremos todo o que estea na nosa man para que non volva pasar o que pasou", agregou. "E agora imos cumprir a nosa obriga de cómicos e cómicas. Non podemos permitir que a comedia pague polos nosos erros", finalizou Vilar no primeiro minuto de programa. Un programa que contou coa participación do director de Galicia Por Diante, Kiko Novoa, un dos xornalistas que expresaron o seu apoio público ao condutor do Land Rober cando se coñeceu o episodio machista. Xornalistas Galegas e Feixoo Precisamente, na quinta feira o colectivo Xornalistas Galegas reclamou áreas de xénero nos medios de comunicación para evitar episodios como o do Land Rober. Tamén na mesma xornada o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, se pronunciou ao respecto. En resposta ás preguntas dos medios tras a rolda de prensa do Consello da Xunta, cualificou de "desacertado" o acontecido no programa, mais sinalou que é un tema que está zanxado: "Houbo unha desculpa sentida e explícita", afirmou o presidente, quen xa participara no programa de humor. O Partido Popular terase que pronunciar ao respecto no Parlamento da Galiza, pois tanto o BNG como o PSdeG presentaron iniciativas co fin de que se depuren responsabilidades polo episodio machista e para estabelecer mecanismos que impidan que volva acontecer. O Comité Intercentros pediu a retirada do programa da grella da TVG e criticou que a afectada tivera que "soportar" que a "sorprenderan coa presenza do seu ex mozo, que lle pedía retomar a relación". "A aberración continuou até que a muller relatou a situación de acoso á que a sometía a súa ex parella, revisándolle o teléfono, obrigándoa a deixar o seu traballo, impedíndolle manter as relacións de amizade coas persoas que formaban parte da súa contorna", denunciara o colectivo. De momento, a CRTVG non adoptou ningunha medida ao respecto. De feito, a CIG denunciou o pasado domingo que a dirección do ente público tratou de "branquear" Land Rober ao emitir a redifusión de "As tentacións de Rober", un especial para que os espectadores e espectadoras coñecesen "o lado descoñecido" do presentador Roberto Vilar. Land Rober continúa situándose como un dos programas de maior audiencia. Asinou na quinta feira un 15% de cota de pantalla, 120.000 espectadoras e espectadores e un 47,1% de fidelidade. |
PRAZA_10390 | Dende que o Estado deixou de defender nos tribunais a prórroga de ENCE outorgada polo Goberno de Rajoy os movementos contrarios á pasteira reclaman a aplicación inmediata do novo criterio. A mobilización volveu ser 'recibida' na factoría con pancartas a prol da permanencia na ría | Nas últimas dúas décadas o movemento contra a permanencia de ENCE na ría de Pontevedra, impulsado dende a Asociación pola Defensa da Ría (APDR), ten unha cita anual que simboliza a súa loita, a Marcha contra Celulosas. Durante anos o seu lema foi 2018... Non, agora!, en referencia á data límite que inicialmente tiña a concesión outorgada polas autoridades franquistas á noutrora empresa pública, privatizada polo Goberno de España en tempos de Aznar. Dende que, en xaneiro de 2016, o Goberno de Rajoy en funcións deu o seu visto e prace á prórroga da concesión ao abeiro da reforma da lei de costas do ano 2013 a reivindicación é, precisamente, contra esa decisión que abriu a porta a que a pasteira fique en Lourizán ata 2073. Este era o escenario ata que, tras a mudanza de cor política no Goberno central, o novo Executivo decidiu non seguir defendendo a prórroga na Audiencia Nacional, onde fora recorrida polo Concello de Pontevedra, a APDR e Greenpeace.Dende que o Estado deixou de defender nos tribunais a prórroga de ENCE outorgada polo Goberno de Rajoy os movementos contrarios á pasteira reclaman a aplicación inmediata do novo criterioAs razóns esgrimidas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, avaladas pola Avogacía do Estado, susténtanse na "ambigüidade" da nova lei de costas, da que xa advertira o Consello de Estado. A representación legal do Estado considera agora que, malia ás posibles interpretacións dispares da norma, o adecuado é limitar ás prórrogas ata sumar un máximo de 75 anos -no caso de ENCE, 2018-. Este, precisamente, foi un dos argumentos da protesta desenvolvida este domingo, un ano máis, dende as Alamedas de Pontevedra e Marín ata o complexo industrial de Lourizán, outra volta secundada por milleiros de persoas.A mobilización volveu ser 'recibida' na factoría con pancartas a prol da permanencia na ríaEntre berros de "a ría é nosa e non de Celulosa" ou "ENCE, fóra da ría" ambas comitivas chegaron á contorna da factoría. Alí, como adoito, a pasteira colocara pancartas a prol da permanencia en Lourizán como Co pan dos nosos fillos non ides xogar ou Os postos de traballo non se poden trasladar, empregadas nas mobilizacións do persoal da factoría contra un eventual peche. Alí o presidente da APDR, Antón Masa, puxo voz a un manifesto que sinala o último movemento da Avogacía do Estado para advertir de que "ENCE non podía continuar na ría máis alá" de 2018 e por iso agora a empresa "trata de confundir á cidadanía con mentiras e chantaxes"."Din que esta decisión pon en grave risco o futuro da comarca" ou que Galicia "vai ver o seu monte abandonado". Pero "nada máis lonxe da realidade", xa que "tal e como recoñece Enrique Valero", un dos "impulsores da Cátedra ENCE" na Universidade de Vigo, relatou, "un 50% do eucalipto que se corta na Galiza véndeselle a ENCE" e "as familias que venden agora a ENCE-Pontevedra seguirían a vender ás fábricas de ENCE-Navia e Navigator-Aveiro", exemplificou.Os colectivos ven "evidente" que "a comarca de Pontevedra non vive de ENCE; lonxe de ser motor da economía, é un freo"Para a APDR e Greenpeace, que secundou a mobilización xunto a diversos colectivos sociais, "resulta evidente que a comarca de Pontevedra non vive de ENCE, que lonxe de ser o motor da nosa economía, é o seu freo". Por iso reclaman a "anulación definitiva" da prórroga que se estendería ata 2073, que "se cumpra a lei e se obrigue á empresa a devolver a zona ocupada á situación que tiña antes da chegada de ENCE a Lourizán" e que, en todo caso, "se quere montar outra fábrica na Galiza, que sexa onde non entre en contradición coa explotación dos recursos naturais nin coa economía da zona". Mentres se desenvolvía o acto final da mobilización, dende o interior da fábrica uns altofalantes colocados para a ocasión reproduciron o himno galego xunto con frases a prol da permanencia de ENCE. Ao tempo, segundo sinalaron participantes na protesta e amosaron con testemuños gráficos, dende o interior cando menos unha persoa tomou imaxes dos manifestantes cun teléfono móbil. Dende a APDR din agardar que esta sexa a "derradeira" marcha que cumpra organizar contra ENCE coa factoría aínda a funcionar na ría. |
PRAZA_4619 | Seis alumnos e alumnas da facultade pontevedresa posaron nús e núas, cubertos con algunha das súas obras, unhas imaxes que posteriormente conformaron un calendario composto como un cubo. | Seis alumnas e alumnos da facultade de Belas Artes de Pontevedra veñen de elaborar un calendario, a partir de imaxes de eles mesmos nús e núas, que busca difundir a produción artística que se realiza no centro. A iniciativa partiu de Cristina Amado e David Crespo, que estaban a realizar un traballo para a materia de Xestión, Ámbito Artístico e Mundo Cultural, impartida polo profesor Xosé Manuel Buxán. O obxectivo do traballo era "organizar unha acción cultural real, coa idea de que reflexionen sobre outras liñas de traballo máis alá da creación artística, para que saiban como é estar detrás da obra, xa que moitos acabarán despois traballando como comisarios, ou en centros culturais", en palabras do profesor. Entre as distintas propostas houbo exposicións, performances e outros eventos artísticos. Cristina Amado e David Crespo buscaron daquela a colaboración dos seus compañeiros e compañeiras para que tamén de deixasen fotografar espidos e espidas, cubertos por algunha das creacións artísticas que realizan. A encargada de tirar as imaxes foi Irene Ríos, tamén alumna de Belas Artes, e Elena Bello, Iria Chaves, Lara Torres e Iria Pérez accederon a participar no proxecto, titulado desnudArte. Inicialmente, o formato ideado era o clásico calendario de parede, pero o feito de contar con seis modelos e seis imaxes, levounos a compoñer con elas un cubo cun tamaño A3 en cada lado. Os cubos véndense no servizo de reprografía da facultade a 2,5 euros, o prezo de impresión, pois os seus responsables lembran que a iniciativa non busca o beneficio económico, senón a promoción da produción artística da facultade e dos seus alumnos e alumnas. "Trátase dunha forma de amosar arte nun formato accesible, barato e decorativo", sinala David Crespo. De feito, detrás de cada fotografía figura información sobre a autoría, o título, as dimensións ou a técnica empregada. |
PRAZA_7731 | 12 mil persoas inscribironse nas oficinas de emprego o últimos mes deixando a cifra de persoas que buscan traballo en 290 mil, un novo récord histórico. O desemprego crecen un 4,31% en xaneiro en Galicia mentres que no conxunto do Estado a suba foi do 2,72% | Mal dato para o emprego en xaneiro. O número de persoas inscritas nas oficinas de emprego creceu en España en 132.055 persoas en relación co mes anterior. A cifra total chega até un novo récord de 4.980.778 persoas. Ademais perdéronse 263.243 afiliados á Seguridade Social. O 82% do aumento do paro rexistrado en xaneiro dáse en traballadores procedentes do sector servizos, con 108.982 persoas máis. O Goberno agárrase ao único dato que pode ser entendido como positivo: o paro creceu menos que en xaneiro do pasado ano, cando a cifra de desempregados se incrementou en 177.470 persoas. A secretaria de Estado de Emprego, Engracia Hidalgo, afirma que "os datos correspondentes a xaneiro manteñen, un mes máis, a tendencia de ralentización do ritmo de aumento do paro rexistrado". O desemprego crecen un 4,31% en xaneiro en Galicia, mentres que no conxunto do Estado a suba foi do 2,72% En Galicia os datos son mesmo peores. 12 mil persoas inscribironse nas oficinas de emprego o últimos mes, deixando a cifra de persoas que buscan traballo en 290 mil, un novo récord histórico. O desemprego crecen un 4,31% en xaneiro en Galicia, mentres que no conxunto do Estado a suba foi do 2,72%. De feito Galicia é en termos relativos a segunda comunidade autónoma, depois de Navarra, na que máis aumenta o paro, que só cae en Baleares, Ceuta e Melilla. Nos últimos doce meses o desemprego aumentou en Galicia en 19.506 persoas. O incremento do desemprego é maior en Lugo e Ourense, onde rolda o 5% en xaneiro. Ademais, en xaneiro realizáronse 7.492 contratos temporais en Galicia e tan só 1.670 contratos indefinidos. En canto á afiliación á Seguridad Social, o número segue baixando e en xaneiro ficou en Galicia en 912.184, un descenso de 15.199 persoas, un 1,64% menos que en decembro do ano anterior. Nos últimos doce meses a caida é de 36.547, un 3,85% menos. Reaccións ao récord histórico do paro en Galicia UGT pon o énfase en que "neste contexto de progresivo incremento da pobreza e deterioro social", hai que enfrontarse a taxas de cobertura por desemprego cada vez máis baixas UGT-Galicia considera que a realidade sociolaboral galega atópase nunha situación de "gravidade excepcional" á que os gobernos, tanto central como autonómico, teñen que darlle resposta. O sindicato afirma que "esta non é a única política económica posible, hai que priorizar o emprego e o crecemento, fronte á loita contra o déficit". UGT avoga por un plan de emprego no que participen todos os poderes, estatal, autonómico e local, así coma todos os interlocutores sociais para evitar a destrución de máis postos de traballo e buscar novas posibilidades de creación de emprego. UGT pon o énfase en que "neste contexto de progresivo incremento da pobreza e deterioro social", hai que enfrontarse a taxas de cobertura por desemprego cada vez máis baixas, xa en niveis mínimos, no 63,25 por cento, afastada do 68 por cento de hai un ano. No mes de decembro houbo 85.921 beneficiarios de prestacións contributivas, 64.136 de subsidio e 11.725 de renda activa de inserción. A todo isto se lle suman todas aquelas persoas que non reciben ningún tipo de prestación e "isto condúcenos a tensionar cada vez máis á sociedade que está a soportar xa a moita xente en situación de exclusión social e a moitos ás portas desta situación", segundo o sindicato. UGT lembra tamén que a contía media da prestación contributiva por desemprego en Galicia é de 881,2 euros, a terceira máis baixa de todo o Estado. Para CC.OO., "peor que a suba do paro é "o desánimo que se produce en quen xa non procura emprego porque entende que en Galicia non hai perspectivas" Para CC.OO., "peor que a suba do paro é "o desánimo que se produce en quen xa non procura emprego porque entende que en Galicia non hai perspectivas". Para a central "a situación agrávase, insiste, porque a Xunta insiste nas políticas de axuste e recortes, que só producen máis paro e desprotección ás persoas sen emprego, e finalmente pobreza e exclusión social". En opinión da secretaria de Emprego de CC.OO., Maica Bouza, "pódese facer outra política", comezando pola fiscal: "cómpre utilizar a capacidade normativa con que conta Galicia e modificar a lei de estabilidade orzamentaria para poder trazar outro escenario de gastos". Para a CIG, tanto os datos absolutos como porcentuais constatan o "estrepitoso" fracaso das políticas que o Partido Popular ven aplicando no noso país, con 130.000 desempregados máis desde o ano 2008 ou, o que é o mesmo, un incremento do 80,4% no último lustro. Antonio López Rivera, secretario confederal de Emprego, denuncia que esta gravísima situación é consecuencia das políticas de austeridade que están afogando a economía e os sectores produtivos. A isto engade que "se Rajoy e Feijóo seguen a limitar a súa acción de goberno a acatar as nefastas decisións adoptadas en Bruxelas un, e en Madrid o outro, camiñamos cara un colapso da economía que terá aínda peores consecuencias para o emprego". O BNG fai un chamamento aos cidadáns para "reaccionar conxuntamente frente aos alarmantes datos do paro" Pola súa banda, o BNG fixo un chamamento aos cidadáns para "reaccionar conxuntamente frente aos alarmantes datos do paro" e impedir así que o PP "desfaga o país" e "nos conduza a unha situación de auténtico abismo social". Montse Prado, voceira de emprego do BNG, preguntouse "que máis ten que pasar para que a Xunta asuma que a situación é claramente de emerxencia" e salientou que "este mes, e xa van moitos consecutivos, Galiza perde máis emprego que a media do Estado". |
PRAZA_14568 | As marchas de Vigo, Pontevedra, Ourense e Vilagarcia foran prohibidas nun primeiro momento polas xuntas electorais. Os secretarios xerais de CC.OO. e UGT estiveron en Vigo e denunciaron que dos 170.000 empregos destruídos en Galicia entre 2008 e 2012, 55.400 corresponderon á industria. | Máis de 50.000 persoas secundaron en Galicia, segundo os seus organizadores, as manifestacións convocadas por UGT e CCOO baixo o lema Máis paro, máis recortes, menos protección. Queren arruinar o país!. Hai que impedilo!. Pola industria, polo emprego e polo estado de benestar. As marchas tiveron lugar na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Burela, Lugo, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo, onde estiveron os secretarios xerais de ambos os dous sindicatos en Galicia. Todas estas mobilizacións enmárcanse na convocatoria do Cumio Social, que no resto do Estado transcorreu o domingo; na Xornada Mundial polo Traballo Decente, que se ven celebrando xa desde hai anos nestas datas; e nunha xornada de mobilización a nivel europeo en defensa da industria, prevista para este luns. Os manifestantes denunciaron "uns orzamentos para o 2013 tremendamente restritivos e que fan que sexan sobre todo os máis febles: traballadores/as, desempregados/as, pensionistas e mocidade os que teñan que pagar os custos da crise". As marchas denunciaron tamén que en Galicia, dos 170.000 empregos destruídos entre 2008 e 2012, 55.400 foron na industria, é dicir, o 33,16%. En Galicia, dos 170.000 empregos destruídos entre 2008 e 2012, 55.400 foron na industria, é dicir, o 33,16% As manifestacións das provincias de Pontevedra e Ourense celebráronse despois de que nun primeiro momento a Xunta Electoral as prohibise. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia autorizou este luns as marchas anulando a denegación de permiso que fora emitida polas subdelegacións do Goberno por considerala "vulneradora do dereito de reunión". |
NOS_42133 | Consegue medalla na súa primeira cita olímpica. | Ana Peleteiro conseguiu ser medalla de bronce no triplo salto feminino, obtendo así a primeira entrada no medalleiro de Toquio dunha atleta galega. A de Ribeira asinou coa súa participación de hoxe, a súa mellor actuación nun campionato e outorgoulle ao atletismo galego a súa primeira medalla olímpica. Peleteiro, que bateu a súa mellor marca por dúas veces consecutivas, mantivo unha pelexa ao límite, que se decidiu no sexto e derradeiro salto, coa xamaicana Rickets. Peleteiro só foi superada pola venezuelana Yulimar Rojas, que bateu a plusmarca do mundo, e a portuguesa Patricia Mamona. A galega chegou no seu primeiro intento até os 14.55, a só 7 centímetros da súa marca persoal, conseguida na pasada sexta feira para meterse na final, e logrou ir mellorando; tras dous saltos nulos, fixo os 14,87 metros que lle deron o metal. A discípula de Iván Pedroso fixo o mellor salto da súa carreira no Estadio Nacional de Toquio para situarse na elite deste deporte. Na súa primeira cita olímpica xa colocou o listón no bronce. |
NOS_47371 | O RC Celta vén de anunciar unha nova conta en Twitter "para comunicarse cos seus afeccionados en galego". Unha conta secundaria, diferenciada da oficial. A afección clama contra a iniciativa, que asume como un paso máis na desgaleguización do club. | Con esta segunda conta específica para a comunicación en galego, o Celta "reafirma a súa identidade e reforza o seu compromiso co idioma galego", salienta o club, "que informará aos seus afeccionados exclusivamente nesta lingua". Nace @RCCeltaGL 💙— RC Celta (@RCCelta) February 1, 2022 Segundo revela o equipo celeste nun comunicado, os seus seguidores atoparán en @RCCeltaGL toda a información sobre o club e o equipo en galego, "idioma que a entidade celeste utiliza de maneira habitual en todo tipo de comunicacións coa súa afección". Mais as reaccións caeron en tromba: por que relegar a lingua propia, da que fan gala e proclaman no día a día, a unha conta secundaria? Por que non facer da conta oficial do RC Celta en Twitter a casa principal do galego? Segregación!! Que triste... Dividir no canto de unir, separar no canto de compartir...— Fran M. Hidalgo (@frmartinezh) February 1, 2022 O club xustifica o seu xesto na rede social e apunta que se "ao resto de equipos que interactúan cos seus afeccionados con contas específicas das súas dúas linguas cooficiais, como FC Barcelona, Athletic Club, Real Sociedad, Valencia, Levante, Osasuna, Villarreal, Elche ou Alavés". Fútbol e lingua Segundo detalla, o FC Barcelona dispón de 18,1 millóns de seguidores na súa conta en castelán e de 6,7 millóns na de catalán. O Athletic Club ten 939.000 seguidores no seu perfil de Twitter en castelán e preto de 76 mil no que utilizan o eúscaro. A Real Sociedad ten 684.200 e 21.800 respectivamente; a Valencia conta con 1.3 millóns de seguidores en español e 38.600 en valenciano; o Levante 435.200 mil e 1.350 en valenciano, Osasuna 259 mil en español e 3.840 en éuscaro. Pola súa banda, o Villarreal dispón de 556.800 mil en español e 1.850 en valenciano, o Elche de 248.500 mil e 2.200 en valenciano e o Alavés ten 235 mil en castelán e 2.770 en éuscaro. A páxina oficial sempre usou o galego, o Celta é un equipo ligado á identidade de Galiza. Que sentido ten marxinar o galego a unha conta secundaria como facedes co inglés? PENOSO— OrgulloGalego (@OrgulloGalegoGz) February 1, 2022 "O RC Celta ten máis de 497.300 seguidores na súa conta de Twitter, dos que tres de cada dez son galegos", conclúe."Un paso adiante de gran importancia" declara a entidade celeste, co que "reafirma o seu compromiso cun idioma que marca a inequívoca identidade do Real Club Celta". Unha falta de respecto desprazar a nosa lingua cara unha conta secundaria, cando o Celta sempre usou o galego nos seus perfís oficiais. ⚡️ #FainoEnGalego https://t.co/T7dX8stP6N— A Mesa Normalización Lingüística (@amesanl) February 2, 2022 Mais parte da afección galega discrepa. E non é a primeira vez que o fai a conta da lingua e do prestixio que os seareiros e seareiras do equipo lle reclaman ao club. Marxinación, vergoña, segregación... son algúns dos cualificativos compartidos polos seguidores e seguidoras do Celta nas primeira horas após a creación da conta exclusiva para o uso do galego, que moitos apostan por converter na principal. 497.055 Seghidores, e baixandooooooo!!!!!!!🤘✊— M E R L E G O GZ (@merlego) February 1, 2022 Mesmo hai quen leva a conta da perda de seareiros na oficial tras o anuncio da segunda, a piques de superar o millar de seareiros. |
NOS_25614 | A batida de lobo levada a cabo o pasado domingo no concello de Xove, e autorizada pola Xunta, avivou a polémica sobre este tipo de prácticas que se realizan contradicindo o Plan de xestión da lobo, onde se decreta que de ser necesaria a actuación debe desenvolverse desde a Consellaría correspondente. | O domingo 30 de agosto, no concello de Xove levouse a cabo unha batida coa razón de darlle morte ao lobo. A medida, desatou unha vez máis a polémica entre afeccionados á caza e ecoloxistas. Os estragos ocasionados a "moitas explotacións gandeiras, tanto costeiras como de interior" foron a razón aducida desde o concello mariñán para a realización desta batida que, segundo fontes municipais, "non deu resultado" aínda que agardan ter "desprazado" o lobo. Desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), o seu voceiro de biodiversidade, Martiño Nercellas, asegura que este é o resultado de "practicamente todas as batidas de lobo que se fixeron nos últimos anos". A actuación, avalada pola Administración galega, contradí o Plan de xestión do lobo, decretado pola Xunta durante o Goberno bipartito e que segue vixente. Segundo este, e por atoparse o concello de Xove na zona 3 de risco fronte ao lobo, no caso de ser necesaria algunha acción de control debe levala a cabo a Administración e non persoas afeccionadas á caza. "As batidas, que chaman eufemisticamente control de poboación, á parte de non cumpriren criterios técnicos senón que responden á presión de determinados sectores sociais", asegura Nercellas, "denotan algo que preocupa máis e que é a maneira na que Administración trata este problema". Para o voceiro de Adega "existe un conflito e hai que darlle unha solución que ten que estar motivada polo coñecemento científico e atender as reivindicacións sociais de cada comarca e tamén as condicións económicas gandeiras e agrarias de cada lugar". Segundo Martiño Nercellas, a Xunta debera aplicar o Plan de xestión do lobo, que "despois de 11 anos non se desenvolveu e parece que só se atende á súa medida máis drástica, que é o control da poboación". Para o ecoloxista "o problema do lobo e da gandaría non se soluciona a tiros senón con xestión técnica e vontade de atender as demandas" realizadas desde o sector. Unha cuestión que pasa pola "adopción de medidas de manexo ou preventivas, ademais de dispor de pautas compensatorias que sexan rápidas" e pola implementación de plans de "información ambiental con relación ao que é a fauna salvaxe e a biodiversidade, e ao papel ecolóxico do lobo". Nesta dirección, para a asociación ecoloxista "a coexistencia entre o lobo e a gandaría non só é posíbel, senón que é moi necesaria para manter a saúde dos ecosistemas e preservar un legado natural único". O lobo, aseguran, "actúa alí onde hai presa salvaxe polo que hai que xestionar a riqueza natural", e poñen como exemplo que "se hai unha poboación ben asentada de corzo non ten sentido que se abatan porque son posíbeis presas do lobo". "Se furtiva ou legalmente matamos lobos estamos a darlle espazo a especies como o xabarín, que terán máis éxito reprodutor", comenta Martiño Nercellas, que engade que "temos que saber dispor deste tipo de recursos". Medidas preventivas A asociación ecoloxista fala da importancia de previr os ataques do lobo, con medidas que "pasan necesariamente por recuperar a cultura de manexo do gando que existiu até hai poucas décadas". Martiño Nercellas lembra que "o gando necesita dunha atención continuada e hoxe en día hai moitas explotacións que xa non supoñen a actividade principal de quen as xestiona". O ecoloxista asegura que "non adoita haber tantos danos nas gandarías máis profesionalizadas, nas que hai un traballo de a cotío, para o coidado e o control e manexo do gando" posto que estes profesionais toman "medidas na recollida do gando ou perimetrais, empregan cans, fan pastoreo con presenza humana de maneira continuada". Pero logo están "as pequenas explotacións, gandaría doméstica ou complementaria que se desenvolve preto das casas e sen vixilancia", e onde o lobo fai "o seu agosto" na consecución de recursos. O descoñecemento Adega considera que o conflito entre a sociedade e o lobo "deriva do descoñecemento dunha especie salvaxe depredadora como é esta". "Moitas das informacións que circulan por aí non teñen ningún tipo de contraste ou valor técnico pero ninguén as cuestiona", asegura Nercellas, quen enfatiza que por tratarse dun depredador "non pode existir sobrepoboación pois a ecoloxía da propia especie encárgase de autorregularse por cuestión de recursos". O portavoz de Adega tamén fala de que as redes sociais dan lugar a "situacións que antes tiñan moi pouca repercusión, como encontros fortuítos con lobos que agora se gravan e se magnifican", e alimentan o prexuízo arredor do lobo. A importancia de conservar o hábitat Os ecoloxistas alertan sobre as consecuencias da perda de calidade do hábitat e do monte galegos que, segundo Nercellas vén "derivada da superexpansión do eucalipto, dá lugar a unha disfunción da biodiversidade e ao desprazamento de determinado tipo de especies", como o lobo. Ademais o portavoz de Adega engade que isto tamén causa "que determinadas especies se acheguen a zonas máis próximas ao doméstico o que deriva en que o lobo teña que buscar alí o seu alimento". |
NOS_50456 | Malia as baixas, o equipo de Santi Valladares quere mellorar o empate da primeira volta. | O Santiago Futsal visitará hoxe o Palau Blaugrana (21 horas) para disputar a décimo quinta xornada fronte ao FC Barcelona Alusport. Os cataláns son primeiros na clasificación con 34 pontos malia perder os seus últimos encontros diante o Ríos Renovables Ribera e o Triman Navarra. Os de Compostela están na sexta posición con 27 pontos e conseguiron un empate en casa (1-1) cando o Barça visitara o Multiusos Fontes do Sar. Viaxarán a Barcelona, segundo a convocatoria facilitada polo clube, Lucho, Eloy, Carlos Barrón (p), Álex (p), Alan, Santi, Tallón, Raúl Campos, Jorge, David Pazos, Hamza e Diego Quintela. En conferencia de imprensa o técnico Santi Valladares comentaba que as baixas destes días non lle dan medo. "Nós imos a todas as canchas igual, aínda que sexa o lider e sexa o Barça". En relación ao FC Barcelona Alusport afirmou que "falar do Barça é outra historia, mais tamén era outra historia no partido da primeira volta e sacamos un bo resultado". |
Subsets and Splits
No saved queries yet
Save your SQL queries to embed, download, and access them later. Queries will appear here once saved.