ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
PRAZA_16337
O sindicato CESM denuncia que as primeiras consultas de endocrinoloxía nalgúns centros da Coruña son sen atención directa do especialista por orde de Sanidade, que aclara que a e-consulta non presencial está implantada en toda Galicia e que así se atenderon máis de 100.000 pacientes en 2017
A denuncia chegou desde o sindicato CESM-Galicia, a pasada semana, cando advertiu de que o acceso a unha primeira consulta de endocrinoloxía desde algúns servizos de Atención Primaria da área sanitaria da Coruña estábase a realizar unicamente vía internet e sen posibilidade dunha atención directa e en persoa do especialista ao paciente. Acompañaban a queixa do correo que a xerencia enviaba aos médicos para instaurar ese sistema de e-consulta desde o pasado 1 de febreiro en tres centros. Pero non son os únicos, este método para unha consulta inicial telemática e non presencial leva implantado xa tempo en numerosos departamentos e áreas sanitarias galegas. CESM denuncia que as primeiras consultas de endocrinoloxía nalgúns servizos da Coruña realízanse só por internet e sen posiblidade de atención directa do especialista "Vaise pilotar para os tres Servizos de Atención Primaria (SAP) de Os Rosales, Carballo-Malpica-Coristanco e SAP Matogrande que as primeiras consultas con endocrinoloxía sexan tan só de xeito non presencial", di o correo enviado pola directora de Procesos Sen Ingreso e Urxencias da área sanitaria da Coruña, que aclara que "nestes tres servizos, a partir do 1 de febreiro", para "acceder á primeira consulta de endocrinoloxía farase tan só a través da e-consulta, non sendo posible a cita presencial". Un correo do Sergas aos profesionais aclara que se instaura o sistema para que "as primeiras consultas sexan tan só de xeito non presencial" O sindicato CESM asegura que estas directrices supoñen "un grave atentado contra o exercicio da medicina e os dereitos do paciente", rexeita o método e reivindica que os profesionais poidan explorar fisicamente ao doente. De feito, aseguran que o sistema "anula a posibilidade de enviar o paciente a ser revisado polo endocrino aínda que o seu médico de cabeceira o crea necesario" e lembran que o proxecto implántase "na primeira cita" e "sen que antes o endocrino tivese visto xamais ese paciente". Correo enviado desde a xerencia aos profesionais para a implantaciónd a 'e-consulta' nalgúns centros da área da Coruña Desde a xerencia sanitaria coruñesa aclárase que a decisión débese á instauración dun programa piloto para axilizar a atención e que é voluntario, xa que calquera dos centros indicatos podería abandonar o programa se así o desexa. No sindicato, pola contra, aseguran que "o correo enviado deixa claro que non ten nada de voluntario" e advirten de que o motivo real deste método é "reducir as listas de espera, evitar empeorar as estatísticas" e, "no fondo, facer que a xente acabe indo á privada ante a falta de atención". "Non sendo posible a cita presencial", lembran que di o e-mail. O CHUAC aclara que o proxecto é "voluntario" e que os centros poden abandonalo cando o desexen Desde o Sergas, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, explica a Praza Pública que esta modalidade asistencial é común desde 2013 nas áreas sanitarias galegas e en diferentes servizos hospitalarios e que está baseado na historia clínica electrónica que comparten médicos de atención primaria e especialistas. Con este sistema, explica, trátase de "reducir os desprazamentos sen valor ningún" que moitos pacientes fan ao hospital cando os médicos de atención primaria, consultando co especialista correspondente, poden resolver o problema a través destas denominadas "interconsultas electrónicas". "É un traballo entre dous profesionais que, conxuntamente, deciden se o problema se pode resolver xa no médico de cabeceira ou se é necesaria unha consulta ou proba específica co especialista", explica Aboal, que aclara que, ademais, isto "evita que a primeira consulta nunha especialidade sexa só de contacto e permite que esa primeira visita sexa xa resolutiva". O Sergas aclara que a 'e-consulta' é un sistema instaurado hai anos e que busca "reducir os desprazamentos sen valor ningún" ao hospital Segundo datos de Sanidade, neste pasado ano 2017 en Galicia leváronse a cabo máis de 100.000 (unhas 106.000) consultas non presenciais coas que se "evitou o desprazamento do 70% dos pacientes atendidos, aos que se lle resolveu a dúbida ou problema asistencial sen necesidade de que acudisen ao hospital". Ademais, explica Aboal, "alixéiranse as listas de espera, ao reducirse os tempos e as consultas de casos que poden ser resoltos a través dunha interconsulta electrónica nestes primeiros accesos aos especialistas". "A xente está moi satisfeita co modelo", engade. Desde o sindicato, pola contra, coinciden en que o proxecto lévase xa tempo aplicando en diferentes servizos das áreas sanitarias galegas pero critican que o que fai o Sergas é primar a e-consulta sobre a consulta presencial e remiten ao correo electrónico que insta a que esas primeiras consultas sexan "só presenciais". "Que agora saia á luz pública non significa que non sexa un modelo desenvolvido desde hai anos noutras consultas; xa o denunciamos ao Sergas pero, como sempre, non fai nada", explican desde CESM. Máis de 100.000 persoas foron atendidas de xeito non presencial en Galicia en 2017: "Evitouse o desprazamento do 70% dos pacientes" O director xeral de Asistencia Sanitaria aclara que o feito de que se vaian enviando comunicacións deste tipo aos profesionais responde a que "se van implantando a e-consulta en diferentes servizos" das diferentes áreas sanitarias. "Agora tocoulle a endocrinoloxía na Coruña, como hai anos tocou en Santiago", di, tras asegurar que xa se terá establecido "un protocolo" e que a partir de agora determinarase, en cada caso, se este "pode ser resolto electronicamente ou debe ser o especialista o que debe actuar".
NOS_39933
Pablo "Sax" F. Sinde naceu en 1967 en Remkum - Oosterbeek (Holanda); "un lugar arrasado polos nazis", lembra. Este saxofonista autodidacta (soprano, alto e tenor) curtiuse como músico de rúa, percorrendo a península e parte de Europa, ao tempo que foi colaborando con grupos de rock-blues-jazz e diversos proxectos artísticos.
Polo seu virtuosismo, aínda que pouco coñecido polo gran público, é un dos máis destacados referentes jazzísticos da escena actual. Como Pablo Sax Trío vén de publicar o disco Amorgana, unha visión moi persoal e estética do jazz contemporáneo, deixando voar a maxia da improvisación. Leva desde decembro a promovelo en concertos por diversas salas galegas. En Holanda, que música escoitaba de neno? O meu elemento comunicativo co mundo era a radio. No disco conto que a miña relación coas ondas hertzianas vén de aí. O xogo dun bebé nas ondas hertzianas holandesas cunha radio feita en Xapón. Daquela escoitaba música que en España non se podería escoitar e, inconscientemente, algo desa riqueza foi educando o meu oído. Non era necesariamente jazz, mais o que me gustase permanecía. Cando se converte entón, conscientemente, en músico? No outono de 1985, comezo co saxo alto. Nos noventa comecei co tenor e, mediada esa década, co soprano. A miña formación foi moi variada. De neno, cun pé en Holanda e outro en Galiza, desde 1973 ata 1980 estiven interno no colexio M. Peleteiro (e despois nos Escolapios de Monforte e no Fogar de Sta. Margarida da Coruña). A pesar do trauma, a asignatura de Música foi moi importante, pola instrución esixente en canto a música clásica. A verdade é que sempre fun músico; procuraba, desde moi novo, sacar na frauta pezas que escoitaba na radio (aquelas que soaban de Milladoiro, cando ía coas vacas nas estadías na casa da miña avoa), levar os ritmos, incluso toquei guitarra, e cantei en festivais do colexio. Quen lle puxo o primeiro saxofón nas mans? Ninguén, foi un namoro estético e sónico. É difícil de explicar. Estaba influído polo rock progresivo de King Crimson, Pink Floyd, Soft Machine, Frank Zappa... Eu buscaba un instrumento que me dese independencia e liberdade. O primeiro LP de jazz que tiven foi un de John Coltrane: Afro Blue Impressions. Escoiteino con quince anos, e deixoume fascinado. Actualmente, moitas familias estimulan a educación musical dos seus fillos. Foi este o seu caso? Non. Na casa non entenderon esta deriva miña, eles querían que me proxectase dun xeito profesional máis seguro. Na familia non hai antecedentes musicais. Pedinlles a meus pais un saxo a cambio de permanecer no internado. Foi unha especie de chantaxe. Cando empezou a ser profesional do jazz? Foi, exactamente, o 6 de marzo de 1986. Como pode lembralo con tanta precisión? Porque me fuguei do internado. Chamáronme a filas para cumprir o servizo militar obrigatorio. Contaba librar por miope, mais reclamáronme. Daquela fun a Madrid, ao Ministerio de Defensa, para declararme obxector de conciencia. Nesta viaxe comecei a tocar nas rúas. Non tiña cartos e era o xeito de vida. Botei alá unha tempada. Vivindo na rúa, durmindo no parque do Retiro. A supervivencia na rúa talvez lle axudase a ser o músico que é hoxe, non sei en que medida esta experiencia pode influír na arte. O feito de tocar moitas horas nas rúas obrígate a buscar, investigar e é un xeito de adestramento moi necesario. Percorrín moitos sitios. Despois de Madrid fun ao sur, a Córdoba. Tamén me instalei no 86 en Donostia, onde asisto ao festival de Jazz, e vexo a Miles Davis en directo. Foi un concerto importante porque me axudou a entender o jazz que quería facer. De San Sebastián fun a Amsterdam, onde tamén quedei unha tempada. Visitei a casa de meus pais; trataron de forzar a miña permanencia alí e volvín marchar. Na cidade coñecín a vida perigosa da grande urbe e isto serviume para a música, toquei con moitos músicos de rúa. En París vivín debaixo da Pont Neuf, con outros clochards. Por que escapa de todos os lugares? Por que esa fuga continua? Ansia de liberdade, ese é o meu lema vital e musical. Tras tres anos percorrendo a península e mais Europa asentouse en Galiza. Quería pararme a estudar e montar un proxecto musical estable, con vistas a traballar como músico. Hai un punto de inflexión (non sei se por madurez), un desexo de facer algo serio na música. En 1991 obteño unha bolsa da A.I.E. (Asociación de Intérpretes y Ejecutantes) para estudar na Escola Estudio de Santiago de Compostela. Cando deixa de tocar na rúa como modus vivendi? Arredor de 1997 cando me instalo, coa miña compañeira, en Allariz. Alí merqueille a Edy "el zurdo" Evans o saxo soprano que teño. Este saxofón salvárase dun incendio no escaparate da tenda en Londres. Como é que tardou tanto en adentrarse, xa como protagonista, no mundo da gravación musical? E por que foi agora o momento para gravar? Non se me ofreceu a posibilidade. En Galiza é moi complicado se non tes o apoio dunha produtora, que son escasas… Non callou. Tiña un feixe de temas para amosar e era unha forma de celebrar o meu cincuenta aniversario, e Morgana, a miña compañeira, leva moito tempo insistindo para que lle dedique unha peza. E vai vostede e dedícalle un disco. Si, hai unha peza dedicada a ela que lle dá nome ao traballo, Amorgana. Na intro fraseo esta palabra inventada. É a máis melódica, como ten que ser unha balada. Amoso o lado máis tenro. Como se forma Pablo Sax Trío? O trío nace nas sesións dos martes no Dado Dadá. Aí usamos o espazo como laboratorio das pezas que se gravaron. E á parte de tocar pezas miñas, tocamos outras de Ornette Coleman, Thelonious Monk… Acompáñame ao contrabaixo Pablo Pérez Sanmamed (levo tocando con el desde o 1993). É un músico e compositor excelente (contrabaixista-compositor de Banda Crebinsky), un dos máis solicitados da escena galega. E á batería, Sergio González, pedagogo musical e magnífico batería formado en Holanda. Colabora na trompeta e fliscorno o boirense David Lojo. O disco foi gravado no Laboratorio Soyuz, en Trazo, en só dous días. Si, en setembro, polo técnico de son Hevi. Esta premura na gravación deu como resultado dúas pezas que titula Bisaxual. Si, porque nelas uso dous saxos. Fago dúas tomas, e gravo cadanseu saxo pola súa pista, con efecto estéreo. Unha dedicada aos meus grandes amigos Cecilia e Lokis: Cecilok. Outra a David Bowie, facendo un xogo de palabras. Xa que falamos de músicos que admira, salta á vista a dedicatoria a dous rompedores, vangardistas, e referentes no free jazz, como son Anthony Braxton e Steve Lacy. A Lacy tiven oportunidade de coñecelo en xuño do 97 na Coruña, onde se prestou a darme dúas clases en privado. Aprendín moitísimo. Descubrín segredos de afinación do saxo soprano, da súa experiencia como mestre deste instrumento. Tocou con Thelonious Monk, Cecil Taylor e toda a vangarda europea desta música. Steve Lacy era o meu referente, por iso a elexía que lle dedico, escrita o día da súa morte o 4 de xuño de 2004. A Braxton tamén o coñecín na Coruña despois dun concerto, e a pé de escenario deixoume ollar as partituras e conversamos mentres el recollía os instrumentos. En xaneiro de 2015 fun a Madrid a un concerto seu en La Casa Encendida; acordábase de min e convidoume ao camerino, onde compartimos viño e risas. Cónstame que é vostede un gran lector. Hai tamén espazo para homenaxear a Julio Cortázar (ao longo de tres temas continuos) e a Juan Goytisolo. Alí Babá nace nunha viaxe que fixen a Marrakech; os locais chamábanme Alí Babá. Ademais xorde polo que me inspirou a praza de Jamaa El Fna, que Goytisolo puxo en valor. A peza foi creada-soñada alí, no 2000, foi onde fixen o bosquexo. Co libro de Cortázar armei unha especie de suite, mais non sexamos grandilocuentes. Deixámonos influír por calquera mostra de arte que nos inspire. O jazz respírase na obra de Cortázar, non só en Rayuela, senón tamén (e sobre todo, para min) en El perseguidor, relato marabilloso que releo todos os anos. Estou aberto a seguir medrando como persoa, isto é un camiño infinito: canto máis sabes decátaste de que menos sabes. Que patrón segue na creación dos temas? Hai pezas cerradas, e outras que se crean no momento. Por exemplo OR-4613-U, pola matrícula do meu primeiro coche, que foi ao desguace este verán, é unha sorte de elexía e xoguei coas propias letras, buscando a sonoridade de cada grafía e cos ritmos de cada cifra, dándolle ao número 1 a posibilidade de improvisar. É unha brincadeira a dúo entre trompeta e saxo. No caso de Fun Killer, descubrín despois que era o pallaso asasino. Eu xogaba co verbo galego "fun" e "asasino". Quen non atropelou un gato? Unha noite atropelei un raposo e sentinme fatal, un asasino. Saíume unha peza funky. Hai unha ambientación, gaña sentido co que descubrín a posteriori, o do pallaso asasino. Podemos facer alusión a certos personaxes, á hora de executar ordes ou políticas que levan a situacións tan duras como suicidios, mortes, miserias… Agora leva máis de dez anos asentado en Noia. Precisamente pecha o disco con Domingo en Noia, que podería ser a banda sonora desta entrevista. Si. É o que se denomina paisaxe sonora. Recolle os sons das rúas unha mañá de domingo, camiñando a lugares como A Pedrachán a gravar os diferentes sons da auga correndo. Tamén se escoitan pasos na grava. Son no cemiterio de Santa María a Nova. Unha homenaxe aos mortos da vila. Por que aos mortos e non aos vivos? Porque os vivos son os fillos dos mortos. Nota: a primeira foto é o Pablo Sax Trío, de esquerda a dereita, Pablo Sax, Sergio González e Pablo P. Sanmamed. A segunda é Pablo Sax. Ambas as dúas son obra de Manuel Lestón.
PRAZA_19234
O rexeitamento da cuestión de confianza, apoiada por Marea e BNG, abre un período dun mes para a presentación dun goberno alternativo. Caso contrario, Ferreiro ficará ratificado. O rexedor coruñés insta os socialistas a non "alimentar" o PP con "desencontros" na esquerda.
Trinta días no aire. Os votos de PP e PSOE tombaron este sábado a cuestión de confianza formulada polo goberno da Marea Atlántica na Coruña para aprobar os orzamentos de 2017. Tras a ruptura de conversas co grupo socialista o alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, deu en "poñer o goberno á disposición da cidade" para que "cadaquén decida de que lado está e asuma a súa responsabilidade" e a moción foi rexeitada por socialistas e populares, mentres que o BNG e a propia Marea votaron a prol. Ábrese agora un prazo dun mes para que dende a oposición se formule unha moción de censura "con candidato alternativo a alcalde", segundo estipula a lei, e a esa operación convidaron os conservadores. Caso contrario, Ferreiro ficará ratificado no cargo e as contas, aprobadas inicialmente. O pleno desenvolveuse nun clima a medio camiño entre a tensión e a reivindicación. Así se plasmou no espazo do pazo municipal reservado ao público e tamén nos discursos. O voceiro socialista, José Manuel García, culpou a Marea de facer "imposible" un acordo co PSOE porque, en última instancia, "preferirían que o Partido Socialista non existise". "Non podemos outorgarlle a nosa confianza porque se encargou de difundir que non confía en nós", afirmou. A súa formación, di, optou polo "non" no pleno para que Ferreiro estea "un mes en funcións", tempo "dabondo para reflexionar e atopar camiños comúns". "Dependerá da súa vontade, é a súa responsabilidade gañar a confianza dos socialistas", reta. O PSOE advirte o alcalde de que estará "un mes en funcións" e o PP reclama desbancar a Marea porque "aposta pola suciedade e a inseguridade cidadá" e provoca o "caos" A dureza marcou tamén a intervención da voceira do PP, Rosa Gallego, quen inzou o seu discurso de peticións de "dimisión" do alcalde. A cidade, caricaturiza a conservadora, "cae a cachos como o estadio de Riazor", está instalada no "desmadre" por culpa dun goberno que "prioriza os batracios, as pancartas e as leitugas" e un rexedor que "vai de vítima". A Marea, acusa Gallego, "aposta pola suciedade", pola "inseguridade cidadá" ou por "afogar os comerciantes" e por iso o PP quere que marche. Eis a razón para convidar o resto de grupos a que decidan "se se poñen do lado do caos" ou "do rescate da cidade", isto é, do PP. A oferta conservadora xa fora rexeitada plenamente pola representante do BNG, Avia Beira, quen anunciou seu si "crítico" a un goberno ao que, resalta, apoiará sempre que aplique "políticas avanzadas" e ao que insta a non practicar o "vitimismo" e ter en conta que "raras veces os votantes conceden unha segunda oportunidade" a un goberno progresista. "Condenados a entendernos" O relato da ruptura das negociacións exposto por García foi contraposto por Ferreiro cunha reprodución da gravación da rolda de prensa en que o voceiro socialista expuxo ante os medios as características do pacto que, asegurara, xa culminara. "Non entendo como cun acordo a piques de pecharse, cando estabamos restablecendo esa confianza tan difícil de acadar, tivo a torpeza de dar esa rolda de prensa e dar por pechado un acordo que aínda non o fora", lamentou o alcalde, quen non obstante mantén que Marea e PSOE están "condenados a entenderse". "Porque cando non nos entendemos xa sabemos o que pasa" e "non podemos seguir nunha deriva que só alimenta a un PP derrotado, ao que a cidade lle deu as costas" e que se "encomenda aos elementos e clama por tempestades para facer oposición", aínda que isto implique "precipitarse cara á demagoxia máis lamentable". Xulio Ferreiro pide aos socialistas que "decidan" se seguen a senda "do cambio: "Non podemos seguir nunha deriva que só alimenta a un PP derrotado, ao que a cidade lle dá as costas" Cómpre, advirte Ferreiro, "decidir" se "queremos seguir pola senda" do "cambio ilusionante" iniciada en maio de 2015 ou "pola senda do PP, a da desfeita do ofimático, a da defeita xudicial no edificio Conde de Fenosa, o das listas de agarda nos servizos sociais, a especulación e as obras chapuceiras". "Non hai ningunha animadversión pola miña banda cara ao Partido Socialista", retruca a García, e por iso malia aos "reproches" di observar "vimbios para construír en común esta cidade" aínda que agora os socialistas estean "enfadados" e padezan problemas internos. "Temos moitas cousas en común", como as políticas sobre a área metropolitana, a mobilidade ou os museos, di, e isto non impide recoñecer as "sombras" dos gobernos socialistas. "Espero que hoxe non sexa un punto de chegada, senón un punto de inflexión para continuar traballando", concluíu o alcalde coruñés, quen lamenta que o "enfado" socialista provoque o "entorpecemento" dos orzamentos durante un mes. "Non sei que sentido ten perder un mes", conclúe, tras instar a "non seguir alimentando os nosos desencontros, porque alimentan a quen a cidadanía lle retirou a súa confianza. "Sabemos o que pasou no estado e aínda o lamentamos, non repitamos a historia", di. Concentración previa Simpatizantes da Marea Atlántica aplauden a Xulio Ferreiro á súa saída do pazo municipal Antes do inicio do pleno o goberno coruñés recibiu apoio de en torno a dous centenares de simpatizantes da Marea Atlántica que se concentraran ante o Pazo de María Pita entre lemas como "A Coruña non se vende" ou "o goberno non se vende". Entre as persoas asistentes á concentración atopábanse representantes de En Marea como o seu voceiro no Parlamento, Luís Villares, os deputados Manuel Lago e Luca Chao ou Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz, representantes da formación no Congreso. En torno a unha hora antes da sesión plenaria tamén acudiron ao pazo municipal membros do PP como o deputado Gonzalo Trenor ou a senadora María Aparicio. Do mesmo xeito, simpatizantes populares que portaban pancartas co lema Ciudad de primera, alcalde de tercera, amosaron bufandas do Deportivo e consignas contra o goberno local tamén durante a sesión, xa no interior da casa consistorial. Membros do grupo conservador aplaudiron a súa presenza como mostra de "democracia".
PRAZA_2775
A última obra de Teatro Ensalle, Las calles corrían por las calles, reivindica as marxes. Celébraas. Invoca a súa beleza. A súa forza. Nun recuncho propio. A Artística, outro proxecto vigués, procura tamén o seu espazo en lugares alternativos. Fóra do canon.
A mediocridade e as marxes. Son as dúas áncoras que sustentan Las calles corrían por las calles, a última obra de Teatro Ensalle, que vén de pasar por Santiago. "Unha apoloxía das marxes", segundo a define o director da compañía, Pedro Fresneda. Porque -explica- "á xente vendéronlle tanto que as marxes son algo malo, que aprende a facer o que faga falta para non acabar nas marxes. E así acaba: lonxe das marxes, pero infeliz". Malia que, cada vez máis, "as marxes están cheas. No centro quedan catro. Se o 90% da riqueza a reparten os que son só o 10%"... Nas marxes, sexa iso o que sexa, -pois que é o centro?-, traballan proxectos como o do propio Teatro Ensalle, unha das poucas salas de artes escénicas contemporáneas que se manteñen en pé en Galicia. "Non nos gustan os centros. Non nos gusta a idea do centro como o lugar máis importante. Por iso hai tempo que non actuamos en Madrid, nin en Buenos Aires. Por iso, sendo de Madrid, viñemos para Vigo. Somos afuerinos. E agora somos afuerinos ata no sistema teatral galego. Vivimos no noso recuncho. Pero é un recuncho forte, bonito, desde o que tentamos dar toda a guerra e toda a lata que poidamos", indica. "Vivimos no noso recuncho. Pero é un recuncho forte, bonito, desde o que tentamos dar toda a guerra e toda a lata que poidamos" Las calles corrían por las calles continúa unha liña que comezou a tracexarse, quizais, con 105 pasos o la mecánica de la carne. Que era unha alerta. Unha chamada. Están a enganarnos. E estamos caendo na trampa. Despois veu La Maleza. A asunción da nosa responsabilidade como cidadáns ante un sistema podre. En Imprudentemente deseé xa o daban por perdido. Xogaban coa metáfora de saír dun sistema sen remedio. Traballar fóra para construír outra cousa. No deberíamos salir nunca de aquí procuraba a orixe do erro. En que momento se torceu todo. Las calles corrían por las calles pode resultar, na súa posta en escena, menos política. Mais non o é. É a "mediocridade" a que segue a erguer sistemas cos pés de lama? "Coma sempre, tentamos agredir o máis posible o sistema", asegura o director. "Houbo unha época na que a observación da mediocridade nos xeraba unha sensación de violencia, e por iso tiñamos montaxes máis agresivas. Agora é máis a dor. Por unha sociedade á que sentimos que non pertencemos, que non é a nosa. Porque, se pasan cousas como que hai enquisas que din que vai seguir o PP, como vamos seguir traballando para unha sociedade que vai permitir que volva gobernar o PP? Nós traballamos bastante en México, e en sitios onde non hai nin teatros, teces unha relación co público moi bonita. Aquí, porén, o único que interesa é o inmediato: producir e consumir. O Black Friday. Comprar. E, claro, ese non é o noso lugar. Por iso, non nos rendemos, pero tratamos de espertar emocións. E quizais detrás delas veña a conciencia", salienta. "O único que interesa é o inmediato: producir e consumir. O Black Friday. Comprar. E, claro, ese non é o noso lugar" O título da obra procede do libro El señor presidente de Miguel Ángel Asturias, Premio Nobel en 1967. Unhas rúas, -como se di na montaxe-, corren cara ao centro e outras cara á periferia. "É un Nobel, e non nos falan del no colexio. Nin na Universidade. Gustounos moito o que di. Houbo un tempo, hai pouco, no que as rúas estaban a mobilizarse moito. Parecía que os cidadáns ían empoderarse. Pero todo foi un espellismo. Unhas rúas corren cara ao centro e outras cara aos arrabaldes. Podemos escoller. E nós escollemos as marxes. Seguir tentando xerar unha illa de pensamento, de encontro, co noso público minoritario", indica. Mediocridade é, en Las calles corrían por las calles, repetición. Non saír da roda. Unha sociedade individualista que non fai máis que copiar. Reproducir o dado. "Está todo a xente ni seu mundo, co seu móbil. Pero no fondo están a facer todos o mesmo. A baixar tal aplicación para facer tal cousa segundo un modelo dado. En realidade, é inventar o que nos dá liberdade. Crear nós mesmos algo novo, aínda que sexa pequeno. Xerar algo. Iso si nos cambia o estado de ánimo. É mellor inventar que repetir. Ademais, eu son mal repetidor", subliña. "Está todo a xente ni seu mundo, co seu móbil. Pero no fondo están a facer todos o mesmo" E á repetición xoga, precisamente, a montaxe. Escenas que volven. Frases que nos martelan. Ás veces, parece que o obxectivo é xerar incomodidade no espectador. Co ruído desacougante do micro contra o chan, por exemplo. "Os nosos traballos esixen moito do espectador. Nós o que queremos é xerar pensamento. E se cadra iso é unha revolución máis potente que o mero feito de facer a denuncia política. Non o sei. En calquera caso, non pretendemos crear incomodo. Senón reflectir a incomodidade que sentimos. Escoitamos, por exemplo, que os actores loitan en Madrid por unha lei do actor. E non sería mellor loitar por unha lei do traballo que nos sirva a todos?", reflexiona Fresneda. "Ves a sociedade que te rodea, sempre pendente do que está de moda. O que saíu na televisión, ou nas redes sociais. E, de verdade que iso é o importante? Na obra reflectimos a incomodidade que nos produce iso. A fisicalidade ante todo ese ruído", engade. E ante o absurdo de vivir na permanente inquietude imposta: a casa, a viaxe… Facelo todo, e rápido. Sen pensar. "Levas tantos anos observando o que pasa, e chega un momento que precisas buscar un punto de chegada. Entón, a onde chegar? A un lugar do que estamos satisfeitos e orgullosos. Que construímos nós. E se temos trinta espectadores, a min non me parecen poucos. Á xente non a educaron para a poesía ou para a creación, senón para comprar nos centros comerciais", di Fresneda. "Se temos trinta espectadores, a min non me parecen poucos. Á xente non a educaron para a poesía, senón para consumir" A escenografía remite, tamén, a esa marxe acolledora. O actor espido, coa roupa pegada na parede. O fondo tamén nu. Cartón. Fraxilidade, en estrutura sólida. "Fas que os morcegos batan coa casiña e ves 500 persoas no público cos ollos ben abertos. E pensas que fuches quen de transmitir a beleza da marxe. Ademais, a min gústame a arquitectura do deterioro. Se cadra por iso vivo en Vigo. Interésame o desbotado. O que xa non se quere. Como as persoas. A min interésanme os ninguén. Os que se manteñen na marxe. O que facemos na obra é construír un espazo acolledor. Apetecible. Pero que é marxe. Non ten mobles de IKEA. Tamén temos algo de natureza: o ramallo dunha árbore, que fai sombra. A natureza fai que nos mude o estado de ánimo. Poste ao lado dunha árbore e xa te sentes mellor. Pois iso queriamos levalo ao escenario", salienta Fresneda. Nesta obra, aos habituais Raquel Hernández e Artús Rei únese María Costa. "Foi alumna nosa hai 10 anos, como Artús. E non é nada fácil incorporarse a un equipo tan consolidado como o que temos. Ademais, nós temos a xente en plantel, que é algo que non se leva nada. É un xeito de dignificar o traballo. Pois María traballa con Artús e Raquel, que se entenden moi ben, cun código propio que foron desenvolvendo. E faino moi ben. Estou moi contento. Polo demais, traballar con Artús e Raque é do máis pracenteiro. Os dous teñen moita personalidade, polo que non é fácil tampouco. O traballo físico que se ve na obra é totalmente creación súa", asegura Fresneda. En relación con ese traballo físico, o corpo está nesta montaxe moi presente. Teatro Ensalle é sempre palabra e movemento. Teatro e danza. Pero desta volta a fisicidade é, se cadra, máis protagonista. "Non queriamos que fose por un lado o corpo e por outro os textos, porque a vida non é así. Xogamos á repetición de conceptos e imaxes, pero sempre mesturando corpo e texto", explica o director. Noutras obras da compañía, o texto era máis protagonista. E, malia a fragmentación posible, o fío era máis difícil de rachar. "É que esta vez non quixen facer un ladrillo, senón escribir poemas. Aínda que o ladrillo está por debaixo. Non é que non estea a sociedade. Pero é que cansei de dirixirme a unha sociedade que non responde. Se cadra é frustración miña. Mais o que quería desta vez era escribir poemas. A sociedade sae, pero ridiculizada, non como o centro da nosa mirada. Porque parece que só lle importa o diñeiro", comenta. "Cansei de dirixirme a unha sociedade que non responde. Se cadra é frustración miña. Mais o que quería era escribir poemas" Aínda que, -apunta-, se cadra a poesía é o máis eficaz. "O sistema ten os seus medios para reaccionar á confrontación. O que os descoloca é que lle fales de poesía. Cando estou tentando falar con algúns, danme ganas de dicirlles versos", afirma. A función de Santiago é, de feito, a única de Las calles corrían por las calles incluída na Rede de Teatros. "Facemos unhas 70 funcións ao ano. Nos últimos anos fixemos unhas 500, das cales 200 foron fóra de España, e en Galicia unhas 20 máis as que fixemos na nosa sala. Os programadores teñen medo. Hainos que nos contan que quen decide é o concelleiro. Eu o que agardo dun concelleiro é que sexa bo xestor. Se ten un técnico, para que o ten se decide el. Agora temos 20 bolos en México e un aquí en Galicia. É así. Ademais, estamos cansos de finxir ser o que non somos. Nós non podemos ter todo feito en tres meses. O noso proceso non é facer un texto e ensaialo. Así que acabamos traballando oito meses a pelo, e despois a subvención vén ou non", explica. Fresneda lembra a miúdo a xestión de Miguel Martín á frente de Agadic. "El si foi valente. É o único do que podemos dicir que lle estamos agradecidos. E era un xestor. Non era alguén que viñese da cultura. Mais en xeral, os xerentes de Agadic chegan dunha maneira e convértense noutra cousa. Hai moitos lobbies: os concellos, as asociacións… Non quero xustificar a Jacobo Sutil, por suposto. Porque podes ter presións, pero hai que ser valente", pensa. E non, -indica-, como o alcalde de Vigo. "Moito populismo, moito dinosaurio, pero de cultura nada. Vigo está morta desde o punto de vista político. Non se sabe que vai pasar co festival ALT… O alcalde gañou e entronizouse. Pero, culturalmente, a cidade está moi viva. Hai moita xente facendo cousas", salienta. "Miguel Martín si foi valente. É o único do que podemos dicir que lle estamos agradecidos. E era un xestor" En Las calles corrían por las calles hai, tamén, amor. Malia o desencanto de quen quere dicir e non atopa -case- interlocutor. Ou se cadra de quen se coloca no papel do que cre que debe dicir. Que ten que dicir e ser escoitado. Unha frase da obra ironiza con iso. Os teatros están cheos de xente, di. Outra convida a mirar aos ollos á muller que camiña quilómetros para conseguir auga. Iso si que é amor, din. "Hai amor á humanidade na obra. Xa di Raquel: 'creo que poderiamos chegar tan lonxe'... Eu atopei heroes en África, en México. Tamén en Vigo, en Santiago... Xente que a sociedade considera refugallo. Que vive na marxe e non fai o que se espera. Penso que nos educasen para a colaboración e non para a competitivade, para a creación e non para a repetición, chegariamos moi lonxe", conclúe.
NOS_5142
A Galiza conta con perto de 86% da poboación inmunizada á espera de saber se as crianzas menores de 12 anos se poderán vacinar nos centros escolares a partir do 13 de decembro.
A Galiza avanza na vacinación fronte á Covid á espera de resolver cal vai ser o proceso para inmunizar a poboación de entre 5 e 11 anos. A data avanzada polo presidente da Xunta para iniciar a administración das primeiras doses foi a do 13 de decembro. Esta terza feira, a ministra de Sanidade, Carolina Darias, apuntou que será cada comunidade autónoma a que estableza a "modalidade" para proceder á vacinación dos menores de 12 anos, sen aclarar se o Goberno é partidario ou non de que as picadas se realicen ou non nos centros escolares co fin de facilitar a distribución das vacinas. En declaracións á prensa en Bruxelas, onde asiste a unha reunión de ministros de Saúde da UE, Darias confiou en que se adopten "as mellores decisións" na reunión da Comisión de Saúde Pública na que se está a discutir a estratexia de vacinación dos menores, co obxectivo, dixo, de que cando as doses estean dispoñíbeis, o 13 de decembro, se estea nas "mellores condicións" para proceder á súa inoculación. Inmunizadas Mentres, o proceso avanza entre os demais grupos de idade. Nas últimas horas a Galiza administrou perto de 35.000 doses mais, fundamentalmente de reforzo, pero tamén segundas picadas que elevan a cobertura total da poboación galega a 85,7%. Todas as áreas sanitarias proseguen coa aplicación da terceira picada a cidadáns de 60 a 69 anos, así como con repescas de poboación de 70 a 79 anos. Desde este pasado sábado se vacinará a persoal sanitario e sociosanitario coa dose de reforzo. Ademais, permanece aberta a autocita e vacinación libre para os que non se vacinaron até a data. Non vacinadas Por franxas de idade, as persoas de entre 30 e 39 anos acumulan a maior porcentaxe de non vainadas, case 18%, seguidas das de 20 a 29, grupo no que hai un 13% sen inmunizar. Cun 7,5% o colectivo de entre 40 e 49 anos é o terceiro con menor cobertura frotne áCovid, seguido do grupo de mási de 12 anos, onde hai case un 5% sen protexer.
NOS_2346
A cantante realizará un coloquio co pretexto dunha obra ou peza do Museo. Será ás 19:00 horas.
A cita vai ser no Museo do Pobo Galego ás 19:00 horas e a persoa María Xosé Silvar, SES, a cantautora que a base de paixón e afouteza pon a vibrar en galego diferentes xeracións. A presenza de SES enmárcase na proposta 'Temos unha peza' do Museo do Pobo. Convócase ao público a un coloquio cun persoeiro representativo do mundo da cultura e da sociedade galega, usando como pretexto unha obra ou peza dos propios fondos do museo. O programa comezou o 24 de xaneiro con Suso de Toro; continuou co debuxante Pepe Carreiro, o 17 de febreiro; o 21 do mesmo mes, esta terza feira, é a quenda de Ses; en marzo será cousa da historiadora Encarna Otero. E logo continuarán o físico Jorge Mira; a xornalista Tareixa Navaza; a futbolista Vero Boquete; o actor Roberto Leal; o crego Rubén Aramburu; a política Lidia Senra; a zoqueira Elena Ferro e a artista Luz Darriba.
PRAZA_17500
O galardón impulsado pola empresa e pola Consellería de Cultura ten unha dotación de 12.000 euros e texto gañador será publicado pola Editorial Galaxia. O pasado ano Xosé Antonio Neira Cruz fíxose co premio coa obra O sono das sereas
A Fundación Repsol e a Consellería de Cultura impulsan unha nova edición do Premio Narrativa Breve Repsol, que chega á súa 12ª edición. A dotación económica do galardón ascende a 12.000 euros e inclúe a publicación da novela curta por parte da Editorial Galaxia. O pasado ano Xosé Antonio Neira Cruz fíxose co premio coa obra O sono das sereas As obras poderán enviarse ata o próximo 31 de xullo. As bases están dispoñibles nas webs fundacionrepsol.com e acoruna.repsol.com. Un xurado decidirá a obra gañadora que se dará a coñecer no mes de setembro. Estará conformado por cinco membros, que representarán a Fundación Repsol, á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería, á Real Academia Galega, á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e á Editorial Galaxia. A Fundación Repsol vén impulsando a creación literaria en galego dende o ano 2006 en que se entregou a primeira edición deste premio. Esta é a relación completa de autores, autoras e obras gañadoras: 2006 - Miguel Sande, Se algún día esta muller morta (Accésit: Xavier Lama, O insomnio dos centauros). 2007 - Anxos Sumai, Así nacen as baleas. 2008 - Xosé Luís Martínez Pereiro, A verdade como mal menor. 2010 - Xurxo Sierra Veloso, Os fíos. 2011 - Fernando Díaz-Castroverde, Microbios e outros paquidermos. 2012 - María López Sández, A forma das nubes. 2013 - Berta Dávila, O derradeiro libro de Emma Olsen. 2014 - Santiago Lopo, A diagonal dos tolos. 2015 - Marcos S. Calveiro, Fontán. 2016 - Daniel Asorey, Nordeste. 2017 - Xosé Antonio Neira Cruz, O sono das sereas
NOS_42085
As comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal vivirán o vindeiro 25 de febreiro unha xornada de folga xeral convocada pola CIG, CCOO e UXT diante do que consideran unha "situación de emerxencia social e económica" da zona nestes momentos.
Os anuncios de fechamentos definitivos da planta de Gamesa nas Somozas e de Endesa nas Pontes así como a falta de carga de traballo de Navantia confirmaron unha situación extrema que os sindicatos denunciaron en varias ocasións, a última en decembro realizando unha cadea humana entre Ferrol e Narón. Agora, desde a CIG, CCOO e UXT fan un chamamento, a través dun comunicado conxunto, á folga xeral para o día 25 de febreiro. As organizacións sindicais poñen como prioridade accións concretas de carácter "urxente". Sinalan que "só vale actuar, e iso é o que demandamos: carga de traballo para o naval, unha transición ecolóxica xusta, sen perda de postos de traballo" como aconteceu nos últimos meses. Manel Grandal (CIG Ferrol) afirma que a actual situación "non é unha sorpresa", en todo caso si "é unha sorpresa que non haxa resposta da Xunta e o Goberno español a estas alturas". Afirma a Nós Diario que as Administracións "sabían que pasaría" e aínda así "os orzamentos que fixeron para estas comarcas foron o que foron". Outro sindicalista, Santiago Díaz (CCOO-Ferrol), amosa a súa sorpresa a Nós Diario polo feche "dun fabricante de pás de eólicos" cando "a poucos quilómetros está a central das Pontes que aseguran que o seu futuro está nese sector das renovábeis". Nese tema os sindicatos reclaman "proxectos de enerxías renovábeis que leven acompañados proxectos industriais", infraestruturas que "se deben desde hai décadas, así como investimentos que atraerían proxectos industriais", tendo en conta "un plan integral da ría de Ferrol que faga revivir o sector marisqueiro". Xuntanza de alcaldes, empresarios e sindicatos As alcaldías de Ferrol, As Pontes, As Somozas, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Mugardos, Narón, Neda, Pontedeume e Valdoviño mantiveron hoxe unha reunión telemática con representantes da CIG e CCOO así como con tres asociacións do empresariado. Do encontro xurdiu a proposta de convocar ao Goberno español da Xunta e ao central "á mesa de traballo que se vai a constituír coa participación dos representantes políticos, empresariais e sindicais". As demandas coinciden coa petición de carga de traballo para Navantia e a procura de "alternativas aos feches". As alcaldías nacionalistas de Fene, Moeche e San Sandurniño, rexeitaron participar, debido "ás continuas modificacións na fórmula da convocatoria, así como no número de participantes" considerando que "o PSOE, co alcalde de Ferrol á cabeza, parece estar máis preocupado na forma en que se faga a reunión que no tema que se vai a tratar". O BNG denuncia o seu "abandono sistemático" A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, responsabiliza do feche de empresas nestas comarcas tanto á Xunta como ao Goberno central polo "abandono sistemático e continuado" destas zonas. A nacionalista acusa ao Executivo autonómico de "non ter unha política industrial para esta zona" e de "non dispor dunha estratexia que poida salvar o tecido económico e produtivo". En relación ao Goberno español, Pontón asegura que "leva décadas practicando unha política sistemática de desmantelamento do sector naval". Para o Bloque hai que actuar no caso da central térmica de Endesa, a planta de Siemens Gamesa, o sector naval e a situación das mariscadoras e dos mariscadores que explotan a ría. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, propuxo, polo seu lado, a creación dun "plan de industrialización prioritario para Ferrolterra" no que se inclúan todas as políticas industriais que permitan coordinar ao conxunto das administracións, empresarios e sindicatos para "sacar a comarca adiante". Avanzou, ademais, que levará ao Parlamento galego "un plan Ferrolterra" asegurando que se dediquen "parte dos fondos europeos e do Estado, máis de 1.100 millóns este 2021, para esta comarca".
NOS_53694
O feito de que ambos os dous "recoñezan que o accidente podería evitarse", é indicativo de que estas empresas estatais teñen responsabilidade, sinala a formación
Anova considera que na propia reacción que están a ter Renfe e Adif tras o accidente ferroviario de Angrois está a mostra das súas responsabilidades no sinistro que custou a vida a 79 persoas. Ambos os dous mandatarios "recoñecen que o accidente podería evitarse", afirma esta formación nun comunicado, Así pois, os presidentes de Adif e Renfe estarían a autodenunciarse. De aí que Anova pida a súa imputación penal. Tal e como sinalou Xosé Manuel Beiras, ese recoñecemento é unha "Excusatio non petita, acusatio manifesta", que son unha auténtica "autodenuncia" pública dos responsábeis de Renfe e Adif. "Como se pode criminalizar ao maquinista como se del só dependese a seguridade? E se lle dá unha lipotimia? Non hai nada previsto?" A culpa é de quen non puxo as medidas de seguridade, Renf e Adif teñen unha responsabilidade brutal, considera Beiras.
NOS_8827
O núcleo dirixente de Podemos defende a integración nas municipais en iniciativas estilo Gañemos e, en troca, presentarse coa marca propia ás eleccións autonómicas
O grupo promotor de Podemos -unha sorte de pais fundadores da formación emerxente- acha que non se dan as condicións para a organización se presentar como tal nas eleccións municipais. Non queren exporse a que unha mala xestión local fixera derramar o capital político acumulado nas europeas de maio deste ano (bastaría con que "en dous ou tres deses 8.177 municipios [os que hai no Estado español] houbese actuacións impropias, concelleiros que rachasen coas liñas de Podemos e faltasen ao seu compromiso cidadán" para que "a maior parte dos meios de comunicación" batesen contra a organización, argumentan). O obxectivo estratéxico, ao que Podemos quer supeditar todo o demais, son as eleccións xerais do novembro de 2015. Podemos, afirman, quer construír un "pobo soberano". Isto significa que -de acordo cun documento asinado por Pablo Iglesias, Iñigo Errejón, Juan Carlos Monedero, Carolina Bescansa e Luis Alegre e que será submetido á consideración da asemblea constitutiva de Podemos, a realizar en novembro- a decisión de presentar candidaturas nas muncipais non debería descansar "en cada círculo". "Debemos ser responsábeis", argumentan, "e non deixar aberto un flanco que poda debilitar o instrumento político máis poderoso que existe hoxe para lograr a recuperación da soberanía popular". E esclarecen: "A decisión tampouco pode depender de cada círculo, aínda que constitúan o núcleo e a seiva da organización". Non haberá, portanto, toma de decisión de abaixo a arriba. A cúpula dirixente xa ten a súa aposta, non presentarse como Podemos ás municipais, e tenciona que esa proposta sexa refrendada pola asemblea da formación en novembro. "A decisión tampouco pode depender de cada círculo, aínda que constitúan o núcleo e a seiva da organización" Que faría entón Podemos nas municipais, de prosperar esta proposta, cousa practicamente segura dado que o núcleo dirixente carece de calquer tipo de contrapeso na nacente organización? Pois integrarse en "iniciativas municipalistas", do estilo das que se amparan baixo o paraugas xenérico de Gañemos, que, afirman, se inscreben na "mesma fenda aberta por Podemos nas eleccións europeas", guiadas por un "espírito similar: recuperar a política para a xente e construír ferramentas para pór de novo as institucións ao servizo do ben común". As autonómicas, unha historia distinta As autonómicas a realizar tamén en maio de 2015 son historia distinta para o núcleo dirixente. Aí está en xogo consolidar a marca e colocala nas mellores condicións posíbeis para enfrentar as eleccións xerais. "As eleccións autonómicas son un espazo privilexiado para representar a escala autonómica o que a nosa candidatura ao Parlamento europeu representou o 25 de maio. Poden e deben ser a mellor maneira de que Podemos estea presente e mostre a súa forza nas eleccións de maio de 2015, coa vista posta nas eleccións xerais previstas para novembro de 2015", salientan.
NOS_26914
O executivo español aproba un decreto-lei co que regula as "horas complementarias" que permitirán ao empresariado demandar horas extras @s traballador@s a tempo parcial mesmo sen preaviso. Aliás, autorizará o despido libre tamén nos contratos en formación a tempo parcial e incrementa o espazo de actuación das ETT.
A ministra de Traballo, Fátima Báñez, presentou a pasada sexta feira en comparecencia de imprensa os decretos aprobados na súa área polo Consello de Ministr@s. Através do decreto-lei, o executivo español continúa afondando na liberalización do mercado de traballo e favorecendo os intereses da patronal que demanda unha maior "flexibilidade" no traballo. Así, Madrid introduce, entre outras, tres mudanzas fundamentais en materia de empregabilidade que reforzan a contratación temporal. Neste senso, en aras de "axilizar" a tramitación dos contratos, o Ministerio de Traballo, Introduce as denominadas "horas complementarias" nos contratos temporais e indefinidos. Este concepto --que no concreto ben a supor a legalización das horas extraordinarias-- autorizará @s empresari@s a demandar horas de traballo fóra do estabelecido no contrato. Neste senso, poderán ser "pactadas" até un máximo do 30% da xornada prorrogábeis até o 60% se así o recoller o convenio colectivo. Para isto, a empresa deberá avisar @s traballador@s con 3 días de adianto --até o momento o prazo situábase, no mínimo, en 7. No entanto, o goberno español crea tamén con este novo decreto-lei as denomiadas "horas complementarias voluntarias" que poderán ser requeridas @ empregad@ no mesmo día. Estas horas só poderán desenvolverse naqueles casos en que o contrato sexa indefinido a tempo parcial e non poderán superar o 15% da xornada laboral, prorrogábel até o 30% se así o fixar o convenio colectivo. Con estas mudanzas, a xornada laboral cun contrato a tempo parcial podería chegar até o 90% das horas dun contrato a tempo completo. Despedimento libre nos contratos a tempo parcial. O goberno español, através do Ministerio de Traballo, amplía o contrato de emprendedores creado coa reforma laboral para aquelas contratacións a tempo parcial. Esta modalidade contractual autoriza o despedimento libre durante o primeiro ano e conta con importantes bonificacións fiscais. Aumenta o ámbito de actuación das Empresas de Traballo Temporal (ETT). Con este novo decreto-lei o executivo español autorizará ás ETT a formalizaren contratos de prácticas dirixidos a outras empresas. Embora até o momento teren prohibido desenvolver este tipo de contratos, o Ministerio de Traballo dá luz verde a que as ETT se convertan en intermediarias para a procura de persoal en prácticas. Fátima Báñez argüíu a medida á procura de facilidades para que a mocidade consiga o seu primeiro traballo. A medida, acrecenta as mudanzas introducidas pola reforma laboral que permite encadear este tipo de contratos até os 33 anos con remuneracións inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI).
PRAZA_3474
A plataforma SOS Sanidade Pública considera que non se está producindo "ningunha reforma sustancial" pese ás protestas
A plataforma SOS Sanidade Pública e a xunta de persoal da área de Vigo chaman a unha nova manifestación, apoiada polo colectivo de traballadores de atención primaria da cidade, o vindeiro 17 de marzo ás 20:00 horas, tres días antes de que arranque a campaña electoral para os comicios do 5 de abril. A convocatoria insta a "recuperar a sanidade pública" e denuncia os problemas na atención primaria e hospitalaria e na contratación.A plataforma considera que a situación "é moi mala" e que as cousas "non melloraron" pese ás protestasA sanidade galega acumula anos de conflitos e a última mobilización reuniu o pasado 9 de febreiro a milleiros de persoas en Santiago de Compostela, en resposta a outra convocatoria de SOS Sanidade Pública. A próxima protesta céntrase na cidade de Vigo. "A situación sanitaria é moi mala en toda Galicia e, en particular, en Vigo", criticou o portavoz da plataforma, Manuel Martín, que considera que as cousas "non melloraron".O Consello Técnico de Atención Primaria creado despois das mobilizacións do ano pasado amosou que "a vontade da administración é nula", dixo Martín, que denunciou que "non está habendo ningunha reforma substancial". Se ben Galicia é, ao seu xuízo, "punta de lanza" no Estado porque "avanzou moito máis a liña neoliberal" na sanidade, tamén conta coa "punta de lanza de oposición por parte dos grupos" que representan ao persoal sanitario. "Feijóo é un fanático da colaboración público-privada", afirmou.A convocatoria da manifestación asegura que a área sanitaria de Vigo "segue padecendo as consecuencias dos experimentos privatizadores da política sanitaria do Partido Popular". A atención primaria segue "marxinada" e precisa "máis persoal de todas as categorías" e máis investimento e que non haxa problemas para acceder ás probas diagnósticas. As consultas, engade, "seguen masificadas" e os puntos de atención continuada (PAC) teñen "una presión asistencial tamén insoportable".Na atención hospitalaria, o texto critica que a área de Vigo ten a maior lista de espera cirúrxica de Galicia, algo que atribúe aos recortes no hospital Álvaro Cunqueiro e á renovación do concerto con Povisa. A "falta de recursos" explica as "dificultades" que se producen "periodicamente" nas urxencias. A todo isto súmase "o deterioro das condicións laborais do persoal da sanidade pública, con contratacións precarias e abusivas", agrega.Denuncian falta de investimento e de persoal e un "deterioro" nas condicións dos profesionais sanitariosMartín confía en que "moita xente" acudirá á manifestación do día 17, que, afirma, se convocou antes de que se coñecese a data das eleccións galegas. "O goberno empéñase en dicir que isto é unha manipulación política; nós dicimos que isto é, evidentemente, política sanitaria, pero non temos ningunha historia partidista", concluíu.
QUEPASA_753
Un venres máis, aquí vos deixamos o resumo das citas culturais que conforman a #AxendaCostadaMorte da primeira fin de semana de abril.
PARTE DE METEOGALICIA: CHUVASCOS E AIRE FRÍO Meteogalicia avísanos que o venres Galicia continuará baixo a influencia das borrascas atlánticas e con aire frío nas capas altas da atmosfera, o que nos traerá unha xornada de inestabilidade con chuvascos, máis frecuentes e intensos canto máis ó oeste, ocasionalmente acompañados de sarabia e treboadas. O sábado, un centro de baixas presións situarase sobre a nosa comunidade. Deste xeito, os ceos estarán parcialmente cubertos con chuvascos probables en calquera punto de Galicia, acompañados de sarabia e aparato eléctrico. Xa o domingo, seguiremos baixo a influencia das baixas presións que enviarán unha fronte na segunda metade da xornada. Así, durante a mañá os ceos estarán parcialmente cubertos e a partir do mediodía os ceos iranse cubrindo de sur a norte, con chuvias que ao final da tarde chegarán a toda a Comunidade. VI Carballo Interplay: Do 4 ao 6 de abril Sábado 6 de abril -Exposición 'Corme. Territorio Sobre Natural'. -Festival de Primavera en Santa Comba. -Festa da Xuventude no barrio de San Cristovo, en Carballo. -Concerto de MJ Perez en Ponteceso. -Andaina Coñece a Costa da Morte por Muxía. -Concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia infantil en Vimianzo. -Concerto de Juego Sucio en Vimianzo. -Proxección de Sicixia en Malpica. -IV Mostra de Teatro Afeccionado de Zas. Domingo 7 de abril -Aberto de billarda en Laxe. -Presentación da campaña promocional 'Eu Son Camariñas'. -Andaina Coñece o teu Concello por Santa Comba. -Ruta de Primavera con Senda Nova polo Anllóns. EXPOSICIÓNS As Torres do Allo, en Zas, abren todos os sábados, domingos e festivos en horario de 11:00 a 19:00 horas. A programación habitual: – Visitas Guiadas: ás 13h e 17h. Permitirán coñecer o conxunto etnográfico que inaugurou unha tipoloxía edilicia en Galicia. – O Xogo de Pistas "Os secretos Ocultos nas Torres: deforma continuada durante o horario de apertura (sen necesidade de reserva previa). Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar martes a domingo de 10:30 a 14 e de 16 a 19 horas. Conxunto etnográfico do Mosquetín. O conxunto de muíños e batáns do Mosquetín abre as súas portas todos os días da semana dende as 11 horas ata ás 18 horas. Os sábados e os domingos hai visita guiada ás 13 e ás 18 horas. No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas, en temporada baixa, de venres a domingo de 10:30 a 14:00h e de 16:00 a 18:30. En temporada alta (Semana Santa, e do 1 de xullo a 16 de setembro), visitas guiadas todos os días. A tenda turística Stoupa acolle a exposición 'Voantes' da ilustradora carballesa Laura Tova. TODA A INFORMACIÓN DEBULLADA NA #AXENDACOSTADAMORTE
PRAZA_6168
Compre, pois, vermos a realidade dun emperador que vai espido para enfrontar na vindeira reforma constitucional unha regulación que garanta o equilibrio de Poderes e o control da constitucionalidade das normas por un Tribunal Constitucional obxectivo e independente do Poder Executivo.
Unha amiga galega, tamén avogada, recoméndame un post do blog da avogada madrileña Verónica del Carpio, que contén a súa opinión sobre a situación actual da xustiza e do Estado de Dereito español, concluíndo que, no noso sistema institucional, unha maioría absoluta no Congreso tradúcese en poderes omnímodos para o Goberno e a maioría que o sostén, de xeito que se deturpan os principios de control xudicial da legalidade da actuación administrativa e de control da constitucionalidade das leis. No noso sistema institucional, unha maioría absoluta no Congreso tradúcese en poderes omnímodos para o Goberno e a maioría que o sostén E a análise desta avogada madrileña é ben lúcida. Porque a maioría parlamentaria e o Goberno controlan a elección do Tribunal Constitucional, que decide sobre se son ou non constitucionais as leis e decretos-leis que aproban os Parlamentos e Gobernos estatal e autonómicos. E, tamén, controla a elección do Consello Xeral do Poder Xudicial, que controla a elección dos maxistrados do Tribunal Supremo e doutros altos cargos xudiciais. Deste xeito, a incidencia gobernativa nos controis de legalidade e constitucionalidade convértese en abafante. O Goberno do Estado pode aprobar, como fixo hai poucos días, un Decreto-Lei que modifique centos de leis e, logo de ser convalidado polo Congreso, só o Tribunal Constitucional poderá declaralo inconstitucional, malia que non exista esa extraordinaria e urxente necesidade que habilita constitucionalmente para o uso dese instrumento excepcional ou invada materia reservada aos Estatutos de Autonomía ou a leis orgánicas, invasión que determinaría tamén a súa inconstitucionalidade. É o Tribunal Constitucional quen fixa a súa propia axenda; se por presión do Goberno que nomeou á súa maioría adían o fallo dun recurso contra un decreto-Lei inconstitucional, a sentenza virá cando o dano estea xa feito. Pola contra, cando lle interesa a este degradado sistema institucional, resólvese axiña. Velaí o atraso en resolver o recurso contra as taxas xudiciais. Vivimos, xa, nun sistema xurídico contaminado polo Goberno do Estado Vivimos, xa, nun sistema xurídico contaminado polo Goberno do Estado. Compre, pois, vermos a realidade dun emperador que vai espido para enfrontar na vindeira reforma constitucional unha regulación que garanta o equilibrio de Poderes e o control da constitucionalidade das normas por un Tribunal Constitucional obxectivo e independente do Poder Executivo.
NOS_52637
Os nove inmigrantes afogados esta semana cando intentaban entrar en Ceuta engade nove falecidas máis a unha tráxica listaxe: máis de 4.900 inmigrantes morreron intentando entrar no Estado español nos últimos 25 anos.
Polo menos 9 persoas morreron esta semana afogadas cando intentaban entrar no Estado español. Nove foron os cadáveres que se recuperaron mais a propia Delegación do goberno español nesa cidade africana apunta a que pode haber máis falecidos. Que a Garda Civil empregase balas de goma e botes de fume contra @s inmigrantes exemplifica a actitude dos Estados europeos a respecto do 'problema'. Un total de 38 inmigrantes faleceron por disparos de corpos de seguridade na fronteira entre o Estado español e Marrocos Estes nove falecidos aumentan a listaxe de persoas mortas nestes 25 anos intentando entrar no Estado español. Fortress Europe leva un cuarto de século recompilando datos sobre o custo en vidas das vagas de migración a Europa. Entre 1988 e 2013 hai 19.114 mortos documentados, 4.899 deles ás portas do Estado español. Mapas da infamia No Mar Mediterráneo e no Océano Atlántico na zona das Canarias, afogaron 14.309 persoas. Metade dos corpos (8.822) nunca foron recuperados. No Canal da Sicília, entre Libia, Exipto, Tunisia, Malta e Italia as vítimas soman 6.837. Outros 229 inmigrantes morreron navegando da Alxeria para a Cerdeña. Ao longo das rotas que van de Marrocos, da Alxeria, do Sahara occidental, da Mauritania e do Senegal para España, ben dirixíndose ás Canarias, ben atravesando o Estreito de Xibraltar, morreron un mínimo de 4.899 persoas neses anos. No Mar Exeo entre Turquía e Grecia, perderon a vida 1.504 migrantes, e no Mar Adriático, entre Albania, Montenegro e Italia, nos anos pasados morreron 705 persoas. Afogados, tiroteados, conxelados.... Os datos de Fortress documentan 372 migrantes que morreron o viaxar agochados en camións. Ben sufocados, ben esmagados polo peso das mercadorías. Aliás, hai documentados 413 falecementos de inmigrantes afogados ao intentar atravesar a nado os ríos limítrofes (Oder-Neise, ente Polonia e Alemaña; Evros, entre Turquía e Grecia;...) Outros 114 morreron de frío percorrendo a pé as pasaxes das fronteiras. E mesmo 72 finaron cando intentaban atravesar campos de minas, como os que existen entre Turquía e Grecia. Por disparos das forzas de seguridade morreron 294 inmigrantes. 38 deles na zona de Ceuta e Melilla. E 29 persoas faleceron electrocutados.
NOS_23876
É outra das caras da moeda do turismo. A clientela apenas repara nelas, pero o labor das camareiras de piso é fundamental. Entre 2.500 e 3.000 mulleres traballan na Galiza limpando hoteis, pensións ou albergues. O ritmo do día a día e a fraxilidade da súa situación provocan nas mulleres doenzas físicas, estrés e ansiedade. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 311 de Sermos Galiza.
Representan até un terzo do cadro de persoal dun hotel. A clientela apenas repara nelas, pero o labor das camareiras de piso é fundamental. Entre 2.500 e 3.000 mulleres traballan na Galiza limpando hoteis, pensións ou albergues. Realizan un gran esforzo físico. Desde a reforma laboral de 2012 as súas condicións empeoraron e a externalización do servizo déixaas fóra dos convenios colectivos. En 2016 naceu a asociación Las Kellys, "As que limpan", con federacións no Estado. No país o colectivo trata de asociarse, facendo fronte ao medo. O 25 de agosto concentráronse en Compostela para berrar polos seus dereitos. A fin das externalizacións é unha das demandas das kellys. As empresas subcontratadas aplican convenios propios, non os de hostalaría, e reducen os salarios até un 25%. "Quen está gañando?", pregúntase Isabel Montenegro, veterana do sector, "danme máis carga de traballo para que a empresa externa gañe". "Moitos destes convenios", di Roberto Alonso, secretario nacional de negociación colectiva de CIG-Servizos, "estanse a tombar nos xulgados". "A rotación de persoal é alta", engade, "cunha baixa profesionalización". "A externalización é unha vantaxe", defende César Ballesteros, presidente da Federación de Hostalaría de Pontevedra, "ao pagar pola limpeza de cada cuarto". Admite que se poden dar "casos de abusos nas empresas de servizos, pero os seus convenios remataranse equiparando cos de hostalaría". O Goberno central anunciou a súa intención de modificar o Estatuto dos Traballadores para facelo obrigatorio. Ballesteros foi dos primeiros en externalizar a limpeza no seu hotel, o Bahía de Vigo, tras despedir o cadro de persoal. "Era necesario para que a empresa sobrevivise". Asinou primeiro con Alliance Outsourcing, logo con Nortempo. Estalou entón o conflito coas traballadoras e a CXT, que acusou a Nortempo e o hotel de non subrogar as camareiras de Alliance. Ballesteros di que o hotel "non é responsábel". Víctor Delio Bilaboa, secretario de acción sindical da CXT, sinala que se incumpre a normativa laboral e salienta que "as traballadoras deben ser subrogadas". [Podes ler a reportaxe íntegra no número 311 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
NOS_37085
O diario El País publica hoxe as anotacións do ex tesoureiro Luís Bárcenas. Do seu contido tírase que o presidente do PP e do Goberno, Mariano Rajoy, recibiu pagamentos en negro por valor de 25.200 euros anuais durante 11 anos. Moncloa afirma que o diñeiro era limpo e que foi declarado.
Entre 1990 e 2009, a cúpula do partido gobernante en Galiza no Estado recibiu soldos en B. Entre os beneficiarios figura a secretaria xeral do PP, Cospedal, quen estes días quixo aparecer como látigo dos corruptos no seo da súa formación. Os papeis de Bárcenas poñen ao descuberto o financiamento irregular do partido: rexistan doazóns de tres construtores imputados pola Gurtel. O ex secretario de Organización do PP galego, Pablo Crespo, aparece como doador de fondos. Rajoy tocado e, probabelmente, fundido, após as novas revelacións sobre o financiamento irregular do seu partido e sobre a hipótese de el ter recibido diñeiro en negro e que, consecuentemente, non declarou a Facenda. O diario El País publica hoxe toda a contabilidade que durante 19 anos, de 1990 a 2009, levou Luis Bárcenas, o tesoureiro do partido. Tal e como no seu momento revelou El Mundo -nunha filtración que en sectores do PP se atribúe a Esperanza Aguirre- Bárcenas estabeleceu, xa baixo a presidencia de Manuel Fraga, o sistema de pagamentos en negro a funcionarios e dirixentes do PP, con cantidades que abalaban entre os 5.000 e os 15.000 euros en negro. Quen achegaba o diñeiro? Non desde logo o Estado, mais si grandes empresarios ligados á construción. Directivos de Sacyr Vallermoso, OHL, FCC Construcións figuran como doadores nos rexistros -manuscritos- que durante cuase 20 anos levaron Bárcenas e Álvaro Lapuerta (durante un período, tamén tesoureiro do PP). Tamén contribuíu a engraxar a contabilidade do partido, con fondos provenientes da trama Gurtel, Pablo Crespo, quen fora secretario de Organización do PP galego. Como receptores de sobres en negro aparecen rexistados na contabilidade de Bárcenas Mariano Rajoy, Jaime Mayor Oreja, Javier Arenas, Francisco Álvarez Cascos, Ángel Acebes e María Dolores de Cospedal, isto é, todos os dirixentes que ocuparon a secretaría e vicesecretaría xerais do Partido. As revelacións poden levarse por diante a toda a cúpula dirixente do partido no goberno no Estado e na Galiza Cospedal tería recibido, en 2008, catro pagamentos trimestrais por valor de 7.500 euros cada un. En declaracións a El País, un portavoz de Rajoy negou que as anotacións de Bárcenas se correspondan coa realidade e aprazou o esclarecimento do asunto á realización da auditoria interna encarregada polo presidente do partido. No rexistro manuscrito de Bárcenas non aparece o nome de José María Aznar, que sairía así indemne dun escándalo que ameaza con levarse por diante a toda a cúpula dirixente actual do partido que goberna quer no Estado quer na Galiza. Si que hai, en todo caso, entregas feitas a nome de J.M., as iniciais do nome do ex presidente do goberno. Luis Bárcenas amasou durante décadas unha fortuna proveniente de pagamentos irregulares de construtores que se viron beneficiados por contratas de administracións públicas controladas polo PP. Como froito desta actividade de carácter mafioso, Bárcenas acopiou 22 millóns de euros, depositados nun banco en Suíza.
PRAZA_7303
Eduardo Maroño ofrécenos dende Qadriños, o blog de banda deseñada de Praza Pública, unha presada de recomendacións novidades de autores e autoras galegas para ler e agasallar nestas datas
Eduardo Maroño ofrécenos dende Qadriños, o blog de banda deseñada de Praza Pública, unha presada de recomendacións novidades de autores e autoras galegas para ler e agasallar nestas datas O Nadal é tempo de facer agasallos. Que mellor ocasión para regalar banda deseñada, máis se, como acontece neste final de ano, as librarías están ben fornecidas de cómic galego. Velaí algunhas ideas. Este foi un ano de moita actividade para David Rubín e a proba é que chega a estas datas con tres títulos no mercado. O primeiro, El momento de Aurora West, cómic de acción e aventura elaborado en colaboración co norteamericano Paul Pope e do que poden gozar tanto o lector xuvenil coma o adulto. Tamén podemos atopar Viñetas de vida, volume colectivo promovido por Intermón Oxfam que inclúe Los niños sin espejo, narración na que Rubín relata a súa experiencia en Burundi. Finalmente, os seguidores máis fieis do ourensán poderán facerse co segundo volume de Las tripas del héroe, obra consagrada a amosar o proceso de elaboración dunha das súas obras máis senlleiras, El héroe. Tres traballos que reflicten o carácter visceral do seu autor ao tempo que ofrecen diferentes perspectivas sobre o seu debuxo. Hai poucas semanas que chegou ás librarías o primeiro volume de Bella Muerte, a serie coa que a galega Emma Ríos está a triunfar en Estados Unidos Hai tamén poucas semanas que chegou ás librarías o primeiro volume de Bella Muerte, a serie coa que a galega Emma Ríos está a triunfar en Estados Unidos. Con guión da escritora norteamericana Kelly Sue DeConnick, a obra mestura western, folclore e fantasía, sintetizando influenzas de todo tipo nun relato de paixóns extremadas. De Ríos abonda con dicir que asina o que probablemente sexa o seu mellor traballo ata a data. Lembremos que Ríos foi candidata este ano aos prestixiosos premios Eisner, como tamén o foi José Domingo, cuxo Aventuras de un oficinista japonés está aínda dispoñible nas nosas librarías. Os que queiran descubrir unha faceta diferente de Domingo poden probar con Conspiraciones, publicado tamén neste ano, un libriño de humor corrosivo a costa de lendas urbanas e relatos conspiranoicos conducido por un personaxe memorable, o profesor Domenikus. Pensando nos máis cativos, Jacobo Fernández Serrano vén de presentar Dragoneta, terceiro capítulo da súa exitosa serie Marcopola, unha cabeceira que vai camiño de converterse en referente do cómic infantil galego. Aventuras e humor co engaiolante despregue visual ao que Fernández Serrano nos ten afeitos. Enma Ríos foi candidata este ano aos prestixiosos premios Eisner, como tamén o foi José Domingo, cuxo Aventuras de un oficinista japonés está aínda dispoñible nas nosas librarías Malia que a súa distribución resulta mellorable, tamén se pode atopar en librarías a obra gañadora do Premio Castelao 2013. Trátase de Catálogo oneroso de beleza gratuíta, unha celebración da beleza cotiá a cargo dun todoterreo da BD galega, Fran Bueno, que asina un dos traballos máis persoais. Pola súa banda, a editorial El Patito acaba de publicar en galego, en versión de Xavier Queipo, un clásico do cómic independente norteamericano. Trátase de Cidade de cristal, a adaptación á banda deseñada da novela homónima de Paul Auster que levaron a cabo o escritor Paul Karasik e o debuxante David Mazzuchelli. Un cómic que fascina tanto polo atractivo do relato coma pola súa forte aposta formal. Tamén El Patito ofrece a publicación máis recente de Miguelanxo Prado, Mar interior, catálogo da exposición antolóxica do debuxante coruñés que se celebrou en Santiago nesta segunda metade de ano. Unha nova ocasión para saborear a característica beleza mariña das pranchas do noso autor máis internacional. Jacobo Fernández Serrano vén de presentar Dragoneta, terceiro capítulo da súa exitosa serie Marcopola, unha cabeceira que vai camiño de converterse en referente do cómic infantil galego Mentres agardamos por Destino Hergüss, o novo traballo de Manel Cráneo que verá a luz a principios de ano, podemos gozar dalgunhas das publicacións máis recentes de Demo, o selo editorial da súa creación e unha das apostas máis fortes da edición de BD do país. Nesta segunda metade de ano apareceron A causa do crime de Tokio, un relato policial ambientado no Vigo da movida, e Nacho Camacho de Jano, compilación das pranchas cómicas protagonizadas por este macho alfa do cómic galego. E xa que falamos de Jano, non deberían perder ocasión de pasar pola web de O Botafumeiro e descargar os dous números aparecidos ata a data desta nova revista galega de humor satírico. Sexa para regalar ou para consumo propio.
NOS_15245
En 2009 os ingresos dun asalariado do tramo de ingresos superior equivalía a 66 do tramo inferior, agora equival a 91,6
En Galiza hai 4.388 persoas asalariadas con ingresos 10 veces superiores ao salario mínimo interprofesional (SMI). Son case dúas mil menos das que había cando a crise comezaba a bater con forza: en 2009 eran 6.068. Hai unha redución neste tramo de asalariados en canto a integrantes mais non en canto aos seus ingresos, que aumentaron de forma moi notábel. Os seus ingresos medios anuais incrementaron en 31,6% (de 129.633 euros en 2009 a 170.702 en 2016). De feito, é o tramo de salario onde máis medrou durante estes anos o ingreso medio. Son cifras do estudo elaborado polo Gabinete económica da CIG con datos Axencia Tributaria: 'Mercado de trabajo y pensiones en las fuentes tributarias'. O sindicato nacionalista pon o dedo na fenda que se alarga durante a crise entre aquelas que cobran máis e aquelas que cobran menos. "Se no ano 2009 os ingresos dun traballador do tramo de ingresos superior equivalía 66 traballadores do tramo inferior, a finais de 2016 equivale a 91,6. A polarización acentuouse exponencialmente". Non é de estrañar. Como vimos anteriormente, o tramo alto de salarios (máis de 10 veces o SMI) aumentou os seus ingresos en 31,6%. Todo o contrario do que aconteceu cos tramos máis baixos de ingresos: Os que gañan menos da metade do salario mínimo tiveron que ver como nestes anos os seus ingresos reducíanse en 4%
PRAZA_8301
Non sen tempo, semella que se vai encetar por fin o proxecto de dotar o tecido social do país dunha moeda de noso: o vindeiro día 6 de abril hai convocada unha xuntanza en Compostela para lle poñer as bases a ese futurible novo medio de troco social. Co gallo da mesma, quero achegar algunhas ideas baseadas na miña experiencia e coñecemento sobre estas cuestións e que pode que non sexan obvias para todas as persoas interesadas en participar nun proxecto deste tipo.
Non sen tempo, semella que se vai encetar por fin o proxecto de dotar o tecido social do país dunha moeda de noso: o vindeiro día 6 de abril hai convocada unha xuntanza en Compostela para lle poñer as bases a ese futurible novo medio de troco social. Co gallo da mesma, quero achegar algunhas ideas baseadas na miña experiencia e coñecemento sobre estas cuestións e que pode que non sexan obvias para todas as persoas interesadas en participar nun proxecto deste tipo: Semella que se vai encetar por fin o proxecto de dotar o tecido social do país dunha moeda de noso: o vindeiro día 6 de abril hai convocada unha xuntanza en Compostela para lle poñer as bases a ese futurible novo medio de troco social 1. A moeda social galega puido e quixo ser o galeuro xa desde 2009, pero por diversos motivos na Asociación Cultural Fillos de Galicia non fomos quen de realizar a socialización prevista da nosa moeda. Xa que logo agora é preferible partir de cero e crear unha nova moeda con total liberdade e sen vencello nin dependencia directa con ningunha outra previamente existente. 2. Unha moeda social, local, complementaria, alternativa, comunitaria ou como queiramos denominala, non é un capricho nin un fin en si mesma. Debe ter desde a súa orixe uns obxectivos e funcións claramente definidos. Se a moeda nace coa intención de ser usada en toda Galiza e desde o tecido social, deben buscar obxectivos a eses niveis. 3. En función deses obxectivos (que se deberían definir na xuntanza do día 6 de abril) deberá realizarse o deseño da moeda, é dicir a definición do seu funcionamento e características. Debe axudar a cada vez máis galegas e galegos a vivir sen capitalismo, aumentando o seu poder de compra sen necesidade de disporen de euros. Empoderar economicamente aos máis desfavorecidos 4. Dentro deses obxectivos deberían estar, ao meu entender, os seguintes: a) Fornecer de financiamento a proxectos sociais e entidades non lucrativas. Fornecer un medio de financiar traballos polo ben común. b) Contribuír a unha maior resiliencia da poboación galega no contexto dun progresivo colapso económico. Contribuír a consolidar a autosuficiencia da colectividade, ao xerar unha economía menos dependente do exterior. c) Mobilizar recursos e persoas actualmente excluídos do sistema capitalista e da economía que funciona en euros: estudantes, parados, xubilados, etc. Axudar a cada vez máis galegas e galegos a vivir sen capitalismo, aumentando o seu poder de compra sen necesidade de disporen de euros. Empoderar economicamente aos máis desfavorecidos. d) Dar soporte a unha nova economía social poscapitalista. e) Servir para tecer lazos económicos entre entidades sociais, afortalando así o tecido social galego. Favorecer a cohesión e artellamento sociais. f) Axudar ás pequenas empresas, comercio local e profesionais autónomos a dotarse de liquidez fronte ao estrangulamento das entidades bancarias que controlan a creación do diñeiro en euros. e) Contribuír a poñer a economía ao servizo das necesidades reais da poboación. Mobilizar recursos infrautilizados e oriéntaos cara as necesidades sociais. Axudar a xuntar xente que precisa ingresos con traballos que precisan ser feitos. f) Darlle á xente máis control sobre o que traballo que elixen facer, de tal modo que poidan elixir máis en función dos seus valores e menos por cuestións puramente pecuniarias. g) Afortalar as relacións económicas intragalegas, evitando a perda de liquidez cara o exterior do país. h) Valorizar as achegas dos voluntarios nas organizacións sociais, axudando a aumentar o seu número e participación nos proxectos destas organizacións así como as doazóns. i) Representar máis axeitadamente os fluxos de enerxía, base de toda actividade económica, ao contrario do sistema financeiro oficial, cada día máis desvencellado da realidade física. Ser unha moeda que encaixe nos parámetro da Economía Ecolóxica. j) Achegar una ferramenta práctica para a soberanía económica galega ao tempo que secundariamente reforza a identidade nacional mediante a súa mera existencia así como mediante o seu nome, lema e deseño gráfico. Pode servir para tecer lazos económicos entre entidades sociais, afortalando así o tecido social galego. Favorecer a cohesión e artellamento sociais 5. Unha decisión fulcral a nivel de deseño, será baseala no euro ou non. Se se pretende que sexa unha auténtica alternativa ao mesmo e non arrastrar os problemas actuais desta moeda ou futuros (hiperinflación, quitas, curraliños, etc.) debería pensarse nunha moeda que teña outro tipo de respaldo, aínda que se perdan certas vantaxes que ofrece o respaldo/referencia do euro. Aquí existen diversas alternativas, cada unha coas súas vantaxes e inconvintes: a) Os sistemas LETS, onde o respaldo é a súa aceptación entre os participantes e o crédito mutuo entre eles: así a moeda ten valor en si propia e non por ser trocable por euros. Esta á a alternativa máis común cando non se respalda unha moeda con moeda oficial. b) Moedas baseadas nunha cuantificación enerxética (fundamentada na termodinámica): p.ex. horas de traballo entendidas como enerxía humana necesaria para realizar un determinado servizo; cantidades de enerxía precisas para crear un produto (emerxía, mochila enerxética...). Un billete deste tipo de moeda podería levar inscrito: "Os participantes do sistema trocaranlle á persoa portadora este billete por un 1/5 dunha xornada de traballo súa ou un produto feito cunha enerxía equivalente" Isto sería ao mesmo tempo unha moeda, un sistema de troco, un banco de tempo e un sistema de crédito mutuo (LETS). Aínda que pode ser complexo de deseñar e implantar, esta alternativa ten aspectos moi interesantes. c) Moedas cuxo valor de referencia estea calculado en base a unha cesta de produtos, tal e como propón o experto en moedas complementarias Thomas Greco. O valor desa cesta en euros, daría a taxa de cambio euro/moeda-galega que sería actualizada periodicamente. A moeda non sería trocable por euros pero si tería un valor en si mesma na medida en que fose aceptada polos seus usuarios. d) Moedas respaldadas por riqueza física dalgún tipo: terras, p.ex. e) Un sistema mixto, como o galeuro, que ofrece respaldo en moeda oficial pero tamén mediante o crédito mutuo. Unha decisión fulcral a nivel de deseño, será baseala no euro ou non 6. Existen numerosos modelos de moedas en marcha noutros lugares do mundo que se poden tomar como referencia. Non é imprescindible innovar pero si estudar con detalle cada modelo e ver cál é o máis acaído: 1º) aos obxectivos desexados para a moeda; 2º) a Galiza e á idiosincrasia galega; 3º) ao contexto actual e futuro caracterizado polo fin do crecemento, o peak oil, e o consecuente colapso do capitalismo e da civilización industrial. 7. Este tipo de moeda debe ser gobernada democraticamente desde unha nova organización creada ad hoc. Isto permitirá artellar un goberno e uns obxectivos precisos e evitar confusións sobre o seu control e finalidade. Esta organización debe ser non lucrativa e aberta á participación, posiblemente en diversos grados, dos diversos axentes económicos e sociais galegos, incluíndo entidades non lucrativas, sindicatos, centros sociais, empresas, concellos e particulares. Este tipo de moeda debe ser gobernada democraticamente desde unha nova organización creada ad hoc 8. A moeda debe ter un deseño aberto, doado de corrixir, modificar, adaptar... sempre de maneira democrática polos membros da organización devandita. 9. O funcionamento e fundamentos da moeda debe procurarse que sexan sinxelos, entre outras razóns, para promover a confianza nel e a súa utilización práctica. Se conta coa confianza dos seus usuarios, o respaldo por un valor material ou en euros, faise moito menos preciso. 10. Unha moeda creada para toda Galiza debe pensar tamén a súa relación coa nosa Diáspora. 11. Unha moeda a nivel galego non debe tentar substituír nin atrancar a creación doutras moedas a nivel local, p.ex. moedas cuxo ámbito sexan parroquias, concellos ou bisbarras. Debe de feito prever o seu encaixe con moedas que funcionen a estes niveis, existan estas agora ou no futuro, p.ex. definindo as posibilidades de troco entre estas moedas e a nova moeda galega. Debe promover a existencia dunha boa diversidade no ecosistema monetario galego. A moeda debe evitar ser un proxecto única ou principalmente da Galiza urbana e debería procurar a súa implantación tamén, e proactivamente, no medio rural 12. A moeda debe evitar ser un proxecto única ou principalmente da Galiza urbana e debería procurar a súa implantación tamén, e proactivamente, no medio rural. 13. A moeda non debería ser meramente electrónica, aínda que se poidan utilizar medios de pagamento electrónico (tarxetas), levar contabilidade ou facer operacións por Internet, etc. A súa existencia como billetes físicos facilitará enormemente a súa aceptación e utilización práctica no día a día sobre todo a nivel comercial. 14. O sistema da moeda debe ser administrado por persoas liberadas (no sentido tradicional ou no que propón p.ex. a Cooperativa Integral Catalana) para esta función, que poderían (sería o ideal) percibir un pagamento na propia moeda. Estas persoas realizarían labores como a dinamización, captación de participantes, contabilidade e control do funcionamento da moeda, realización de estatísticas e informes, información ao público a aos medios de comunicación, administración do web e redes sociais, etc. 15. A moeda non debe ser ao mesmo tempo un medio de troco e de aforro. Deben separarse claramente ambas as dúas opcións e optar por unha delas para a nova moeda. A moeda non debe permitir xuros de ningún tipo, xa que estes se basean na crenza nun imposible crecemento perpetuo da economía 16. A moeda non debe permitir xuros de ningún tipo, xa que estes se basean na crenza nun imposible crecemento perpetuo da economía. A moeda debe ser nese sentido decrecentista ao entender que o crecemento económico xa non é posible e debe estar adaptada a un contexto de decrecemento en termos de produción de bens e servizos. Tamén neste sentido debería evitarse que a moeda teña oxidación, é dicir, que perda valor co tempo, tal e como advirte Ted Trainer no seu libro The Transition to a Sustainable and Just World. Isto habitualmente faise nalgunhas moedas locais para aumentar a súa circulación, pero desde unha óptica decrecentista é incoherente promover unha maior produción e venda de produtos ou servizos e penalizar aos posuidores da moeda por gastala (e polo tanto consumir) pouco. 17. Os deseñadores da moeda deben analizar cales son os vicios e eivas que caracterizan o sistema monetario oficial para evitalos no deseño da nova moeda. 18. Debe prantexarse a posibilidade de realizar microcréditos (sen xuros) na nova moeda. Debe prantexarse a posibilidade de realizar microcréditos (sen xuros) na nova moeda 19. Cómpre implicar a organizacións que traballan na economía alternativa e solidaria como Fiare, Coop57, AIS O Peto e outras, para que a nova moeda se integre na súa filosofía e sistemas de traballo. Se a nova asociación que goberne a moeda debe dispoñer dunha conta bancaria en euros, debería abrirse con Fiare ou entidade análoga. 20. Da xuntanza do día 6 deberían saír como resultados mínimos: a) Unha definición base de obxectivos que terá a moeda (ampliable máis adiante). b) Un comité técnico encargado dun deseño acorde a eses obxectivos. O deseño incluirá propostas de nome para a moeda, entre outros moitos aspectos da mesma. c) Un comité legal que redacte unha proposta de estatutos para a nova organización que goberne a moeda e que analice preventivamente o encaixe legal da moeda na lexislación vixente en España (especialmente desde o punto de vista fiscal) e que estude como protexala fronte a posibles modificacións desa lexislación. Considero un diñeiro democraticamente controlado como unha ferramenta de enorme valor para a mudanza social Considero un diñeiro democraticamente controlado como unha ferramenta de enorme valor para a mudanza social. Xa que na crise terminal —cuxas fases iniciais estamos a vivir— o sistema financeiro xoga un papel chave, non ten moito sentido pretender mudanzas de alcance sen tocar o aspecto monetario. Aínda que o diñeiro sexa só unha abstracción, unha representación convinte dos custos desa enerxía que move todas as nosas actividades socioeconómicas, é unha abstracción poderosa: ten o poder de levarnos máis axiña cara o abismo ou o poder de liberarnos dun sistema inxusto e suicida. Na asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo xa desde 2010 vimos considerando a creación dunha moeda social galega como unha necesidade imperiosa, e precisamente debo algunhas das ideas aquí presentadas aos meus compañeiros nesta organización. Esta necesidade é cada día máis urxente á vista do progresivo e escandaloso saqueo que se está a realizar dos euros dos cidadáns por vías directas (a suba do IVE e outros impostos non progresivos, ou a confiscación que se planea estes días en Chipre son só un par de exemplos) e indirectas (co forzado endebedamento do Estado e a renuncia a unha soberanía monetaria). Estannos quitando o soporte para moitos aspectos vitais da nosa sociedade e deixándonos cada día que pasa con menos financiamento para os proxectos que sería imprescindible comezarmos a artellar para construír unha Galiza poscolapso. Por iso é precisa unha moeda galega controlada socialmente e que permita obter fondos para financiar proxectos sociais que palíen a deserción e abandono do Estado e que axuden na transición necesaria cara un mundo posindustrial e poscrecentista. Como di David Holmgren —un dos principais referentes teóricos da Permacultura— no seu ensaio Money vs. Fossil Energy: "O diñeiro é simplemente unha construción mental colectiva que podemos redeseñar desde os seus principios fundamentais para reflectir realidades enerxéticas e valores éticos" P.S.: Suxiro ás persoas interesadas na cuestión ampliar algúns aspectos deste artigo coa lectura do documento que preparara en 2011 para o curso de Economía Solidaria que tivo lugar en Compostela.
NOS_28134
Belén Tajes é a voz de Luar na Lubre. E esta segunda feira únese ao coro de #VenhanMáis5
-Como avalías o estado actual do galego? -O estado da língua é crítico. Debemos mudar de estratexia, xa!. A língua estase convertendo nun gueto. Nas cidades propicianse estes "guetos en galego" programando eventos culturais onde hai tan só un par de artistas representativos do país, e non é por falta de propostas ou proxectos. Por outro lado, hai outra problemática á que se enfrentan as e os galegofalantes, xa que unha gran maioría considera que é corrente a exclusión do seu idioma en algo tan cotián como as facturas da compra, a atención telefónica, etc. En Galiza hai moito descoñecemento sobre os dereitos lingüisticos. Queda moito por pelexar, sobre todo, cando desde a Xunta non chegan políticas lingüisticas que dean solucións. Debemos protexer o galego e tamén permitir que chegue ás crianzas e ás escolas infantís, nas grandes cidades, a oferta educativa en galego é case inexistente. Hai alumnado que non escoita galego até chegar a primaria. -Que evolución agardas da lingua a cinco anos vista? -Gustaríame ter esperanza, pero se non hai un cambio radical en termos de educación, cultura ou política lingüisticas, aquí non só non vai mudar nada, senón que imos ir a peor. Precisamos ser máis responsábeis ca nosa língua, ten que ser unha cuestión social e emocional. Temos que implicarnos sí ou sí. -Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar? -O Sermos é unha referencia, sobre todo polo seu compromiso ca língua e con Galiza. Considero que é un medio accesible e necesario. Espero que en cinco anos poidades facer edicións diarias do Sermos Galiza e que haxa menos, ou ningunha noticia relacionada coa discriminación lingüística.
PRAZA_15172
A Mesa informará nos centros de ensino das cidades de que o galego debe volver xa a ter unha presenza normal nas aulas
"A forza do noso amor non foi inútil". O presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, readaptaba este venres o verso de Uxío Novoneyra para manifestar a súa "ledicia" pola sentenza coa que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) invalida algúns dos aspectos "nucleares" do denominado decreto do plurilingüismo, como son a consulta ás familias para determinar a lingua do ensino infantil ou a posibilidade de que o alumnado non empregue o idioma no que se imparten as diversas materias. Os ditames xudiciais que xorden dos recursos da propia Mesa, da CIG-Ensino e de Queremos Galego converten a norma "nun decreto zombie" e dan lugar a que o galego deba regresar aos primeiros niveis educativos. Diso, di, A Mesa informará directamente aos centros de ensino. Ante a "demagoxia e a manipulación do PP" que, a través do Goberno galego, "insulta ata intelixencia dun gato" ao dicir que o alto tribunal "avala" a súa normativa, a organización en defensa da lingua "dirixirase aos centros de infantil, en especial aos das sete cidades galegas", para facerlles chegar a sentenza íntegra e animalos a "incluír" xa unha presenza "normal" do galego no seu horario lectivo. Trátase, explica, de que, cando menos, a lingua propia de Galicia "non sexa menos que o inglés" nas aulas do país, especialmente nas urbanas. Non en van, lembra, os últimos datos dispoñibles revelan que o galego foi "varrido" destes niveis educativos nas cidades en máis dun 95% dos centros. A Mesa pide que Vázquez non recunque "polos seus discursos contrarios ao noso idioma" e porque "non ten capacidade de diálogo" Á marxe desta campaña informativa nos colexios Callón congratúlase especialmente de que o TSXG veña desmontar a "mentira de la imposición del gallego" que "o PP leva repetindo" nos últimos anos. O Tribunal, subliña, declara "ilegais" non só as enquisas "trampulleiras" que realmente eran "votacións" encubertas, senón que tamén bota por terra a "suposta liberdade" de que os alumnos e alumnas ignoren o idioma no que se imparten as materias. "As materias non se imparten nun idioma para que o profesorado practique", constata. Por todo isto A Mesa reclama a inmediata aplicación da sentenza nun contexto no que "a Alberto Núñez Feijóo só lle queda un camiño digno: a inmediata derrogación deste decreto e retomar a normalización lingüística e o diálogo", unha interlocución para a que Callón non ve capacitado ao actual conselleiro de Educación en funcións, Jesús Vázquez. Neste sentido, o presidente d'A Mesa coida que sería "un grave erro" que Vázquez recunque na consellería tras a formación do novo Goberno de Feijóo, non só polos seus "discursos contrarios á promoción do noso idioma", senón precisamente porque "non ten capacidade de diálogo" para reconducir a situación. Prolingua e a Cgednl piden á Xunta que "reflexione" e cambie a súa política lingüística Ademais, Prolingua considera que a sentenza do TSXG concédelle á Xunta "unha estupenda oportunidade" para derogar o decreto do plurilingüismo, así como para que "cesen das súas responsabilidades" os "responsables políticos" da aplicación desta norma. Alejandro Tobar, voceiro da plataforma, cre que a Xustiza vén de dar "un pau" á política "negacionista e galegófoba" do Goberno galego e da súa "apoloxía do non saber". Ademais, Tobar pregúntase se o Executivo "vai seguir as recomendacións que lle dan o Consello de Europa ou o propio Tribunal Superior", se o galego "vai seguir estando excluído" das materias de ciencia ou "como se vai artellar agora a proporción da lingua galega" no sistema educativo. Pola súa banda, a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (Cgendl) di "alegrarse" pola sentenza do TSXG e lembra que a instauración dunha "enquisa caprichosa" e do propio decreto provocou que o galego "estea desterrado do ámbito urbano" ou que "as competencias activas dos cativos en lingua galega sexan cada vez peores". "Pedimos á Xunta que reflexione e planifiquen a política lingüística para que se logre o obxectivo fundamental, que non é outro que os rapaces saian da escola cunha competencia activa total nas dúas linguas, algo que non acontece", di Valentina Formoso, coordinadora da Cgednl. BNG e AGE reclaman o retorno ao Plan Xeral de Normalización Na necesidade de derrogación do decreto e da marcha de Jesús Vázquez coincide tamén o BNG, formación política que forma parte de Queremos Galego. En opinión do portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, a sentenza do TSXG é "unha moi boa noticia para a lingua galega" xa que "nos dá a razón aos que queremos galego". Por iso, di o nacionalista, cómpre eas "inmediata derrogación do decreto" e non só que Jesús Vázquez non recunque no cargo, senón que cese nel de inmediato. "O Goberno Feijóo debe asumir responsabilidades pola súa política agresiva contra a lingua galega, agora sancionada tamén polo poder xudicial", di. PSdeG e BNG coinciden e que a consellería de Educación debe mudar de titular tras a sentenza Neste contexto, o BNG coida que é o momento de "abrir un proceso" que conduza a "unha nova lexislación do uso do galego no ensino" que "coloque a nosa lingua en pé de igualdade co español nas aulas". Para isto, di, o PP debe "retornar ao consenso que existiu" na aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que recibiu o aval de todo o Parlamento no ano 2004. Ese consenso, lembra Guillerme Vázquez, "rachouno unilateralmente" o PP "ao aprobar a primeira lexislación da historia do país que supuña un paso atrás" no rango do galego nas aulas. Nun sentido semellante o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, considera que o "soplo de aire fresco" que supón a sentenza para "quen defendeu" que o decreto do plurilingüismo "non era o camiño" ten que "servir" para que Jesús Vázquez "non volva ser conselleiro", xa que "pilotou un proceso absolutamente erróneo, traumático, convulso e que fixo dano a todos", tanto ao alumnado como a "todos os que lle queren ao galego" e á política en xeral. "Hai unha boa ocasión para que se produza un cambio e o presidente non se empecine en manter como máximo representante dun dos sinais de identidade de Galicia á mesma persoa", resolve o socialista". Ademais, o grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixe tamén a "derogación do decreto" e a volta "ao consenso unánime existente antes de que chegasen os galegófobos lingüísticos do Goberno Feijóo". Ademais, solicita "a dimisión de Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo, membros integrantes da brigada de demolición lingüística e cultural que ideou o decreto do plurilingüismo definitivamente invalidado". Pola súa banda, Compromiso por Galicia pide que a Xunta "derrogue sen tardanza" unha norma "argallada contra o idioma galego" e que elabore unha nova "consensuada coas demais forzas políticas e co apoio unánime da comunidade educativa".
PRAZA_13158
Os galardóns, organizados pola UFI (que agrupa as produtoras e discográficas independentes), entregaranse o 25 de xuño, despois de que os internautas voten entre grupos e artistas nomeados por un xurado de profesionais. Uxía, Banda Crebinsky, Talabarte ou Eladio y Los Seres Queridos tamén están entre os candidatos.
A Unión Fonográfica Independente (que agrupa as produtoras e discográficas independentes) anunciou este martes os finalistas para os seus premios, que se entregarán o 25 de xuño. Os nomeados aos galardóns foron escollidos por un amplo xurado de músicos, produtores e xornalistas e agora será a quenda dos internautas, que a partir do 1 de xuño poderán votar na web premiosdelamusicaindependiente.com. Nacho Vegas e La Casa Azul encabezan as candidaturas, con seis cada un, incluídas as categorías de mellor álbum do ano (que completan Lüger, Za! e Nacho Umbert) e mellor artista, na que tamén están nomeados Sr. Chinarro, El Columpio Asesino e Fernando Alfaro. Toro (El Columpio Asesino), La Gran Broma Final (Nacho Vegas), Extintor de Infierno (Fernando Alfaro), Una llamada a la acción (Sr. Chinarro) e Hot Stuff (Lüger) son os cinco temas finalistas no apartado de mellor canción do ano. A representación galega nestas candidaturas comeza na categoría de artista revelación, na que os composteláns Disco Las Palmeras poderían obter o premio. Tamén hai un finalista galego, Das Kapital, no apartado de mellor álbum de música electrónica A representación galega nestas candidaturas comeza na categoría de artista revelación, na que os composteláns Disco Las Palmeras poderían obter o premio, en competencia con Reina Republicana, Dolores, Odio París e La familia árbol. Tamén hai un finalista galego, Das Kapital, no apartado de mellor álbum de música electrónica, onde igualmente son candidatos Los Pilotos, Digital21 e Ana Curra, Carlos Jean (nacido en Ferrol) e Lasers. Os galegos e galegas son maioría na categoría de mellor álbum de música de raíz, na que Uxía (Meu Canto), Banda Crebinsky (Banda Crebinsky) e Talabarte (Talabarte) poden obter o premio. Tamén é finalista Eladio y los Seres Queridos, que co vídeo de El Tiempo Futuro (realizado por Alberto Baamonde) pode facerse co premio de mellor videoclip. E do mesmo xeito, Víctor Coyote pode gañar nas categorías de mellor produción musical e mellor deseño gráfico. Finalmente, tamén están nomeados noutras categorías Josiño Carballo, de Ernie Records (como mellor manager) e os vigueses Esmerarte (como mellor promotora). Web dos premios
NOS_26643
Esta segunda feira, un grupo de deputados da Comisión de Interior do Congreso visitou Melilla para recoller información sobre o sucedido o pasado mes de xuño.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualificou como "imprescindíbel" abrir unha "investigación en profundidade" sobre o ocorrido o pasado 24 de xuño no valo que separa Melilla de Marrocos, cando decenas de persoas foron asasinadas mentres intentaban cruzar a fronteira. As palabras de Rego chegan despois de que un grupo de deputados da Comisión de Interior do Congreso visitase Melilla para recoller información sobre o sucedido. Na súa viaxe, os representantes políticos foron até paso fronteirizo do Barrio Chinés, onde se produciu o ataque contra as persoas migrantes. Primeiras vítimas após o acordo entre España e Marrocos: Ascenden a 37 os mortos ao tratar de saltar o valado de Melilla En declaracións aos medios, Rego lembrou que os nacionalistas xa solicitaron unha "comisión de investigación". "Aínda que en realidade foron dúas, porque unha fixémola no seu día con outras forzas políticas, e recentemente pedímola tamén coas novas informacións que apareceron nunha reportaxe da BBC", explicou. Para o deputado do BNG, a visita dos deputados á cidade autónoma "parece" que "confirma" o visto na reportaxe. Neste sentido, dixo estar convencido de que as imaxes mostran "corpos" das persoas asasinadas polos servizos policiais en "territorio controlado polas autoridades españolas". Dous anos e medio de prisión por tentar cruzar a Melilla Así, denunciou que "iso é algo que o ministro do Interior [Fernando Grande-Marlaska] sempre negou e parece que se confirma, e é por iso que é imprescindíbel que se faga unha investigación en profundidade sobre o que aconteceu e sobre se o Goberno español actuou con corrección nunha tema desta gravidade". Intervención de Grande Marlaska no Congreso O deputado nacionalista fixo referencia á intervención de Grande Marlaska o pasado mes de setembro no Congreso cando negou que se producise ningún "masacre" no valo de Melilla. Grande-Marlaska nega o "masacre" ocorrido no valo de Melilla, cando a policía marroquí asasinou 37 persoas Na súa comparecencia parlamentaria, Grande-Marlaska non mencionou en ningún momento o número de persoas asasinadas o pasado 24 de xuño, mais si citou en varias ocasións que 55 axentes da Garda Civil resultaron feridos nun "ataque" de "1.700 persoas actuando en grupo e en actitude violenta". O titular de Interior tamén manifestou que se trataba dun "grupo organizado" que preparou un "episodio violento de entrada irregular" no Estado español, e asegurou que "non vai permitir que lle dean leccións de dereitos humanos, somos os únicos que temos servizo de Salvamento Marítimo". Sánchez, en relación aos sucesos no valo de Melilla: "Hai que pórse na pel da policía marroquí" Naquela sesión parlamentaria, Rego afirmou que este suceso "foi unha brutal violación dos dereitos humanos, perpetrada por Marrocos, pero coa colaboración e o aplauso do Goberno español". O deputado nacionalista lembrou que, poucas horas despois da actuación da policía marroquí contra as persoas migrantes, o presidente español, Pedro Sánchez, felicitouna por un "traballo ben resolto".
NOS_32229
A manifestación, baixo o lema "Sen persoal non hai sanidade", partirá ás 19 horas desta quinta feira da Casa do Mar e rematará no Obelisco.
A Comisión de Centro do Complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) convocou para esta quinta feira, día 20, unha manifestación para exixir "máis persoal" e condicións de traballo "dignas". Así o comunicaron, en rolda de prensa, as e os representantes dunha comisión con representación de CIG, CCOO, UXT, CSIF, Omega, Satse e USAE. A manifestación partirá ás 19 horas da Casa do Mar da Coruña e concluirá na chaira do Obelisco. Desenvolverase baixo o lema "Sen persoal non hai sanidade". Na súa presentación, este órgano de representación do cadro de persoal pediu o apoio da cidadanía e das organizacións sanitarias, sociais e políticas a unha mobilización que busca reclamar "unha asistencia pública e de calidade", segundo expuxo Lucía Peón, presidenta da comisión. En concreto, cualificou de "urxente" o incremento de persoal en varias categorías. Neste senso, asegurou que xa había anteriormente un "déficit histórico" de traballadores, agravado agora pola pandemia, que supuxo "unha sobrecarga de traballo inasumíbel". Por outra parte, manifestou que "a pesar das reiteradas demandas de persoal, a xerencia fixo ouvidos xordos". Ao fío desta cuestión, apuntou ás mobilizacións de colectivos como o persoal de Urxencias nas últimas semanas. Para as persoas convocantes, un "exemplo" da precariedade dáse na "saturación permanente" deste servizo. A iso, engaden problemas en unidades como a de críticos, onde denunciaron que os traballadores "teñen que renunciar ás súas libranzas para poder atender as e os pacientes". Aliás, citaron problemas no bloque cirúrxico, nas unidades de hospitalización ou en servizos centrais como laboratorio, farmacia, lavandaría ou cociña, con "colapso permanente e sobrecarga continuada".
NOS_34258
Unións Agrarias presentará denuncia conxunta contra Naturgy polo acontecido en Belira, O Corgo e Castroverde.
As perdas por cortes de luz como consecuencia do mal tempo destes días pasados causaron unha media de 500 euros en perdas a 120 explotacións, segundo informa o sindicato Unións Agrarias (UUAA). Os servizos xurídicos da organización agraria estudan denunciar as eléctricas e pedir indemnizacións por este motivo. Os municipios máis afectados foron Belira, O Corgo e Castroverde e as denuncias presentaríanse conxuntamente contra a empresa Naturgy. "Chama a atención que as industrias eléctricas que reciben axudas públicas para manter en bo estado as liñas non cumpran co seu cometido. Cada vez que se complica un pouco o tempo, acaba habendo horas e horas sen enerxía", sinalou desde UUAA o seu responsábel, Roberto García. Esta organización atópase en fase de contacto coas afiliadas e afiliados "que sufriron danos" para iniciar un procedemento legal e reclamar indemnizacións polos gastos derivados do que consideran "unha mala operatividade destas eléctricas". García salientou que "sen ser un gran temporal", os cortes afectaron a varios municipios lucenses que causaron perdas "non só polo número, senón polas horas que tardou en restabelecerse a subministración". Isto, dixo, provocou "danos non só no almacenamento de alimentos, senón no propio funcionamento das explotacións, que se viron obrigadas a ter que alugar grupos electróxenos". Polo seu lado, desde a Federación Veciñal de Lugo exixen "unha sanción exemplar". O seu presidente, Jesús Vázquez, tachou de "impresentábeis" as eléctricas polo ocorrido nos últimos días. Ademais, reivindica que o Goberno galego debe "controlar periodicamente" as súas prácticas, xa que "non cumpren coas súas obrigacións no mantemento das liñas para ofrecernos un bo servizo, polo que cobran moito e que realmente non dan".
NOS_40371
Este partido era da outra liga. Non entraba nos prognósticos nen tan sequer o empate. Mentres o Madrid tivo a equipa B sobre o relvado, o Deportivo fíxolle as beiras á vitoria. Mas perdoou en exceso. Con Cristiano xa na cancha, o combo de Fernando findou por ceder os tres pontos.
O Deportivo estivo digno, intenso e competitivo. Mas aínda así continuou a amostrar as súas fraquezas, nomeadamente na zona de cobertura. Tampouco tivo a sorte de cara. As lesións -primeiro a de Silvio, logo a de Kaká- obrigaron a Fernando a improvisar. Bergantiños non é lateral nen Jesús Vázquez, central. Demasiadas facilidades para o Real Madrid. No primeiro tempo, funcionou o apelo de Fernando á épica rossonera. A equipa estivo coas liñas moi xuntas e non deu opcións a Modric e compañía. Arriba Riki foi un tornado, mentres o corpo lle foi aguantando. Pizzi deixou ver a súa enorme clase nun par de lances polo carril esquerdo, cun eslalom precioso incluído, que mereceron ser gol. O Deportivo tería de gañar o 61 por cento dos pontos en xogo no que fica de campionato para safar O Depor perdou en exceso nos metros finais co 1-0 xa no taboleiro de marcas. O Real Madrid saiu vivo desa primeira metade e con poderosísimos ases na manga: no banquiño gardaban quenda Cristinao e Ozil. Na segunda parte, o Deportivo acusou a canseira e o Real Madrid foi moi outro xa con CR7 sobre o relvado. As lesións de Silvio e Kaká impediron a Fernando dosificar os cambios tal e como tiña previsto no seu guión. Só lle quedaba unha bala na recámara, a de Nelson Oliveira, que entrou por un exhausto Riki. O avanzado portugués non achegou nada á súa equipa. A indolencia de Nelson é verdadeiramente exasperante. Coa equipa moi atrás e os futbolistas clave desfondados era cuestión de tempo que o Madrid furase a baliza de Aranzubia. Kaká, cun espectacular dereitazo, e Higuaín sentenciaron. Fican 13 partidos por diante. Moitos deles si que son da liga de Fernando. A permanencia é unha empresa posíbel, mas altamente improbábel. O Deportivo tería que gañar o 61 por cento dos pontos en xogo no que fica de campionato para safar.
NOS_17725
Este sábado celébrase en Lugo a Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, na que se recoñecerá os seus méritos na recuperación da cultura popular.
A gala terá lugar o sábado 19 ás 19 horas na Casa do Saber. Neste evento farase entrega dos IV Premios Mestras e Mestres da Memoria, que se concede a dous informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional. A AELG pretende facer máis visíbel ante a sociedade a literatura de tradición oral levando a Lugo a súa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que, co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral», terá lugar o 19 de marzo, na xornada previa ao Día da Narración Oral. A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, aprobada pola asemblea da AELG, foi a de outorgar os premios de 2016 a Dolores Macías Pose e Mini e Mero. No acto, ademais dos premiados, intervirán o grupo de gaiteiros Lúa chea de San Xoán, o acordeonista Eloi Mato, Matilde Vilariño e Francisco Almuíña.
NOS_29086
Balaídos e Riazor viviron a éxtase e a tristeza. O Celta gañou ao Espanyol (1-0) e o Deportivo cedeu perante a Real Sociedad (0-1). A equipa viguesa será o representante de Galiza na liga estatal. O Deportivo volta á Segunda División. A súa situación -afogado polas débedas, en concurso de acreedores- tórnase delicadísima.
Dous goles -Natxo Insa en Balaídos, Griezmann en Riazor- selaron a dispar fortuna para Celta e Deportivo nun final dramático, agónico, do campionato estatal de liga. O Celta conseguiu o que semellaba imposíbel tres xornadas atrás e con 37 pontos mantén a súa praza en Primeira División. O gol de Natxo Insa, a pase de Iago Aspas, deu aos de Abel Resino a tranquilidade para xestionar o xogo. O heroe, nomeadamente na primeira metade, foi Rubén, o gardamallas xuvenil da equipa que estivo colosal en varias ocasións francas do combo espanyolista. O Deportivo morreu na beira, embora ter enfrentado a última xornada do campionato un ponto por enriba do descenso. O calendario reservoulle un rival fortísimo no último acto: unha Real Sociedad con inequívoco ar de Champions League. A remontada dos branco azuis -cando chegou Fernando a equipa estaba a 9 pontos da salvación- non puido consumarse por moi pouco. Foi tamén xornada de despedidas, de Valerón do relvado riazoreño e de Iago Aspas do céspede de Balaídos. O xenio canario deixa a equipa en Segunda División. O seu legado é incomparábel. Aspas tamén deixa un oco moi difícil de encher. O punta de Moaña aspira agora a se abrir un oco na Premier League.
QUEPASA_949
As obras de Berdillo completan un plan de case 3 millóns de euros en saneamento Carballo fachendea de auga da billa
Entre os case 3 millóns que ten o Concello de Carballo en marcha en materia de saneamento, unhas das obras que xa están avanzadas son as da rede de abastecemento de auga dende Santa María de Ardaña ata Canosa-Rus. Serán 474 as persoas dos lugares da Igrexa, Quintáns, Barís, O Val, O Pedreiro e Canosa, directamente beneficiadas con estas obras que desenvolve a empresa Excavaciones y Obras Candal por un importe de 278.034,65€. O Concello quere destacar a obra que supón o maior investimento municipal da historia (1,2 millóns á empresa Vázquez y Reino), o abastecemento de Oza e Razo, que está practicamente rematado, e que terá continuidade cara Goiáns co proxecto de mellora da rede.Para completar o servizo na parroquia de Oza e continuar estendéndoo cara a de Goiáns, que xa están en proceso de contratación. Entre os proxectos en contratación tamén figura o de saneamento e abastecemento aos lugares do Curro, Aseñado, A Chavella, O Alto e A Redonda, pechando así a rede de Berdillo.
NOS_32955
Após varios días de mobilizacións para evitar que esta muller, a cargo de dúas fillas de 10 e 15 anos, quedase na rúa, o goberno municipal recuou e cederá unha vivenda das 18.000 que hai baleiras na cidade.
A mobilización social coordenada desde a plataforma Stop-desafiuzamentos de Vigo non logrou evitar o desafiuzamento de Analía Méndez e das súas fillas de 10 e 15 anos, mais si arrincou do Concello o compromiso de mover ficha para que as tres mulleres non fiquen na rúa. Após consultar se para lle adxudicar unha vivenda de protección social é necesaria unha denuncia previa da propietaria do inmoble onde Méndez vivía de aluguer, o alcalde, Abel Caballero (PSdG-PSOE), cederá ben un piso de maneira provisional ubicado na rúa Anduriña namentres a caseira presenta a denuncia de esta ser requerida ou, de non o ser, permitirá que a viguesa se instale xa de maneira definitiva canda a súa familia nun dos dous inmobles que o goberno municipal ten sen adxudicar. A reacción do Concello foi confirmada a Sermos Galiza pola activista Clara Fervenza, integrante da mencionada plataforma contra os despexos. Porén, non chegou sen tempo. Nun primeiro momento o único que Analía Méndez recibiu da concellaría de Participación Cidadá foi axuda para tramitar unha prestación de emerxencia e a renda de inserción Risga, para alén dun cheque por valor de 300 euros que non solucionaba a súa situación. Un acordo coa propietaria da vivenda que tiña alugada deulle 10 días de prazo para abandonar o inmoble ao non poder facer fronte nin ao aluguer nin aos recibos. Méndez, con dúas fillas ao cargo e separada da súa parella ao se atopar en situación de violencia machista, non ten ingresos de ningún tipo desde marzo de 2013 e acumula unha débeda de 5.500 euros. Nunha soa rúa, a Rosalía de Castro, o Concello posúe 50 vivendas baleiras. Delas 10 cederallas ao Adif e outras 40 venderáas para conseguir ingresos que servirán para construír a chamada 'Cidade da Xustiza'.
NOS_5284
Alfonso Rueda, Diego Calvo, Francisco Conde e Marisol Díaz acompañarán o candidato popular nas listas para o 25S.
Núñez Feijóo desvelou esta cuarta feira os nomes dos cabezas de lista do PpdeG das catro provinciais para as eleccións do 25 de setembro, as persoas que o acompañarán para intentar revalidar a maioría absoluta. Feijóo encabezará a lista por Pontevedra, seguido por Alfonso Rueda, a súa man dereita no goberno e no propio PPdeG. Diego Calvo liderará a candidatura pola Coruña, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, por Lugo e a actual delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, pola circunscrición ourensá. Todos eles son persoas da máxima confianza do líder popular. Feijóo puxo estes nomes como exemplo de "renovación", afirmando que todos "debutan" como cabezas de lista. O presidente do PpdeG tamén apontou que a diferencia doutras formacións, as candidaturas realizáronse "sen sobresaltos" nin leas internas. "Non encabezaría nunca unha candidatura nun partido con pelexas".
NOS_58465
A crise da Covid-19, os cambios no marco regulatorio en materia enerxética e o relaxamento por parte da Xunta e do Goberno español no exercicio das súas competencias condenan a industria galega a un escenario en que practicamente ningunha empresa está exenta do risco de fechamento ou de recorte de persoal.
Galiza corre o risco de converterse nun deserto industrial. O sector primario, outrora potente, languidece pola falla de políticas para dinamizalo e de capacidade para atraer novos investimentos. A economía se terciariza e focaliza cada vez máis nas grandes áreas urbanas do país, condenando a outro deserto, o demográfico, a moitas comarcas nas que o paro empuxa á xente nova a emigrar. A situación é grave. A industria galega perdeu desde a crise de 2008 arredor de 6.000 postos de traballo e vai camiño de destruír varios milleiros máis. O seu peso na economía, lonxe de achegarse ao mínimo de 20% que marca como desexábel a Unión Europea, vai do 18% cara abaixo. De momento hai marxe de manobra, mais non son poucas as ameazas que, sumadas ao coronavirus, poñen en risco o futuro do sector primario galego. Un dos conflitos máis graves que teñen a Xunta, con competencias en materia industrial, e o Executivo español sobre a mesa está relacionado coa produción de aluminio. A multinacional norteamericana Alcoa está disposta a fechar a única planta de aluminio primario e deixar na rúa 524 traballadores da principal e outras 450 das auxiliares. Desde o comité de empresa levan meses exixindo unha intervención. De feito, grazas á súa presión, conseguiron que a empresa accedese a negociar una posíbel venda, mais a idea de dar entrada a un competidor no mercado parece non facer moita graza a Alcoa. Onde tamén piden á Xunta e ao Estado que interveñan é na Coruña, na planta de Alu Ibérica. Os traballadores da factoría, que até 2018 estaba en mans de Alcoa, anunciaron esta mesma semana que levarán á Fiscalía o proceso de venda, primeiro ao fondo suízo Parter, e posteriormente a Grupo Riesgo. Denuncian que a súa situación é critica e animan ás administracións a dar o paso para garantir a continuidade dun sector estratéxico que dá emprego a centos de persoas no país. Feches e despedimentos As empresas do metal están a pagar tamén as consecuencias da crise da Covid-19. Segundo a patronal Confemetal, máis de 68% cren que a súa facturación vaise ver reducida nos próximos meses. Tamén destaca que 14% das empresas do sector tiveron que executar despedimentos e que unha de cada catro prevé facelo no que queda de ano. Ferroglobe, o grupo controlado polo empresario Juan Miguel Villar Mir, anunciou recortes nos seus centros de produción de Francia e España. Na Galiza conta cunha factoría de ferroaleaxes en Sabón (Arteixo). As de Cee e Dumbría, agora baixo a denominación Xeal, estudan presentar un novo ERTE para os seus preto de 300 traballadores. E Celsa, matriz de Celsa Atlantic, con sede na Laracha, ven de anunciar que se acollerá ao fondo de rescate do Goberno español para paliar os efectos da Covid-19 nas empresas. Todas estas compañías están á espera de que se artelle un mecanismo para ás industrias electrointensivas que substitúa ás actuais poxas de interrompibilidade, mais en moitos dos casos precisan tamén de investimentos para ser competitivas. Crise no naval O metal está nunha situación crítica, pero o resto de sectores non están moito mellor. O naval, que no seu día chegou a empregar a 18.000 persoas na Galiza, agora non dá emprego a máis de 3.000. Estaleiros históricos como Vulcano fecharon as súas portas nos últimos anos coa esperanza de volver abrilas algún día. No seu caso, é unha cuestión de vontade política. Outros, como o tamén vigués Hijos de J. Barreras, sobreviven a costa de pedidos puntuais de empresas que se ven forzadas a entrar no seu capital para manter a empresa a flote, casos de Pemex ou a actual Ritz-Carlton. E en Navantia a cousa non está moito mellor. O estaleiro público leva meses reclamando carga de traballo. As súas gradas van quedar baleiras en breve e o contrato das fragatas F-110 para a Armada española vai tardar en chegar. Tamén exixen unha modernización das instalacións, xa que do contrario, advirten, non haberá futuro. Nas Somozas, os traballadores de Siemens Gamesa recibiron hai uns días unha dura mensaxe da dirección do grupo que anunciaba que a planta, especializada en pas para eólicos, só ten carga de traballo garantida até final de ano. Despois xa se vería, aínda que recoñecía que o modelo que se fabrica na Galiza non tiña xa moi boa saída no mercado. O das renovábeis pode ser o sector que lle dea a volta a este negro panorama. Fálase de eólica mariña en Navantia e de hidróxeno verde en Alcoa, fontes que terán que cubrir o vacío que deixará o feche das centrais de carbón de Meirama e As Pontes. Presión do persoal Se as empresas sobreviven e, na maior parte dos casos, polo empuxe dos seus traballadores e traballadoras. Se Alcoa sentou a negociar con Liberty foi grazas á presión exercida nas rúas polo cadro de persoal. En Alu Ibérica o comité tamén se está a mover para reclamar un futuro para a planta, como fan en Cee e Dumbría para paralizar o ERTE que pretende executar Xeal, á que acusan de intentar facer unha segregación encuberta de actividades (ferroaleaxes e centrais hidroeléctricas). As mobilizacións sucédense por todo o territorio e acompáñanse en ocasións de accións xudiciais contra a empresa. Noutros casos, os empresarios son os que saen o rescate de firmas históricas. Pasou en Thenaisie Provoté, co apoio da CIG, e pasa en Vulcano, á espera de que o Porto de Vigo decida sobre os terreos nos que se asenta. E mentres as administracións asisten en primeira fila ao triste espectáculo de ver caer a industria.
PRAZA_615
Baltar pai non logra tombar a investigación sobre o suposto financiamento irregular dos populares e a xuíza De Lara acaba apercibindo o seu letrado por insinuar que o tribunal filtrou á prensa a declaración do ex xerente do partido na provincia, na que detallou o "sistema de facturación falsa".
José Luis Baltar fracasa no intento de desactivar a póla da Operación Pokémon que investiga a presunta 'caixa B' do PP de Ourense. Catro días despois de que a Audiencia Provincial de Ourense confirmase a máis simbólica que efectiva condena ao histórico barón popular por 104 enchufes na Deputación provincial, realizados na contorna do congreso do partido no que o baltarismo freou o único intento de Feijóo para destronar a saga, a instrutora do caso, Pilar de Lara, tombou nun duro auto o recurso co que o antecesor e pai do actual líder da dereita na provincia ourensá pretendía anular a investigación. Seguen así adiante as indagacións sobre o suposto financiamento irregular da formación, que se estende a unha vintena de cargos e que a maxistrada ve "avalada" por "prolixa" documentación. O que o letrado de José Luis Baltar pretendía, concretamente, era obter a "nulidade de pleno dereito" de "todas as actuacións" practicadas na instrución "como consecuencia" da declaración ante a xuíza de Emilio Pascual, ex xerente do partido na provincia. Segundo un auto ditado o pasado luns, a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, Baltar argumentou que os feitos investigados, de seren certos, producíronse en Ourense, polo que a investigación "correspondería aos xulgados de dita localidade" e non aos de Lugo. Asemade, indica a xuíza, "denuncia vulneración do dereito de defensa" porque, afirma, só tivo coñecemento das acusacións de Pascual a través de "determinados medios de comunicación", o que, "lle impide, segundo alega, obxectar ou contradicir" esa declaración. O ex barón non conseguiu tombar o proceso que investiga o presunto financiamento irregular do partido "Dada a confusión procesual que padece", a xuíza emprega o auto para "lembrarlle os instrumentos dos que dispón" para "facer valer" as súas "pretensións", entre os que "non se atopa a nulidade". No caso de considerar que a instrutora quebranta "algunha norma de competencia territorial" tería que presentar "unha cuestión de nulidade" e non de competencia, explica. En todo caso, a cerna da investigación xira en torno á actividade do Grupo Véndex, en cuxa "política" política empresarial se incluíu, presuntamente, o "pagamento de diversas cantidades de diñeiro" en diversos puntos de Galicia. O testemuño e os documentos achegados por Emilio Pascual indican que estas empresas poderían terlle dado cartos a Baltar e, asemade, son sospeitosas de financiar irregularmente gastos electorais do PP de Ourense a través de, cando menos, dúas empresas de comunicación. Tendo en conta estas circunstancia e a devandita extensión territorial das actuacións de Vendex tanto a xuíza como a Fiscalía consideran que "procede levar conxuntamente a presente investigación". "Non tería sentido ningún separar o caso de Ourense do de outras provincias", resalta. A xuíza apercibe o letrado do ex barón No que atinxe á suposta vulneración do dereito de defensa a xuíza remóntase ao interrogatorio que lle formulou ao propio Baltar pai. O barón ourensán negoulle que recibise 6.000 euros de Véndex pero "si que recoñeceu que o PP de Ourense recibía cantidades de cartos en efectivo a xeito de doazóns, incumprindo, claro está, a normativa legal". Dado que Baltar declarou que esas cantidades "as recibiría o xerente" do partido, "ese é o motivo polo que no seu momento se chamou a prestar declaración a Emilio Pascual". Nesa declaración o ex xerente expuxo que o partido, "durante un período de tempo moi prolongado, deseñou un procedemento de financiamento ilícito a través dun sistema de facturación falsa e ficticia", lembra. O representante de Baltar acusa o tribunal de filtrar a declaración do ex xerente O feito de que Pascual comparecese, abonda, non implica que "se vulnerase ningún dereito do señor Baltar", toda vez que "se quixese e tivese interese, o seu letrado non só podería asistir ás declaracións, sinaladas con antelación dabondo (...), senón que tamén tería a oportunidade de interrogalo". Pero o avogado "optou por non comparecer". Malia isto, reprocha De Lara, "atrévese a lanzar unhas gravísimas acusacións" ao sinalar que Baltar "non tivo acceso" ás declaracións do ex xerente pero os medios de comunicación, si. "Son os propios imputados os que se dedicaron a organizar e dar auténticas roldas de prensa ás portas mesmas do edificio xudicial", resalta, polo que á xuíza "sorpréndenlle" as "acusacións alegremente realizadas polo recorrente, que o fan merecedor do apercibimento correspondente para que, no sucesivo, cumpra debidamente co deber de lealdade e respecto que debe presidir as relacións profesionais" no ámbito xudicial. José Manuel Baltar nega que o PP de Ourense se financiase irregularmente
NOS_3090
A deputada Montse Prado asegurou que a batería de medidas formuladas polo Bloque procura "acabar coa anormalidade democrática dun Parlamento a medio gas no medio da pandemia e sumar propostas para axudar a saír da crise".
"Hai que acabar coa anormalidade democrática dun Parlamento a medio gas no medio da pandemia e sumar propostas e medidas para axudar a saír da crise", dixo esta quinta feira, 23 de abril, a deputada do Bloque Nacionalista Galego Montse Prado. Precisamente, con eses obxectivos enunciados por Prado, o BNG rexistrou unha batería de iniciativas para o seu debate na Cámara galega. Prado incidiu ademais en que "o BNG volve mostrar a súa vontade de colaborar co Goberno galego, como fixemos desde o primeiro momento, ante esta situación excepcional, que ten consecuencias moi graves para milleiros de familias e para o conxunto do país". Distribución de máscaras gratuítas Entre as iniciativas formuladas polo Bloque figura o uso das máscaras e a súa distribución gratuíta entre a poboación; así como a situación das residencias da terceira idade, coa proposta de trasladar todas as persoas maiores contaxiadas nelas a un centro hospitalario "para que reciban a mellor atención sanitaria posíbel". Tamén quere o BNG dar o debate na Cámara sobre as condicións de traballo do persoal sanitario, "tanto no relativo á sua protección como á precariedade laboral derivada dos contratos do Sergas en plena pandemia, reproducindo a inestabilidade anterior ao coronavirus con contratacións de semanas e mesmo de días ou a rescisión laboral en caso de ser afectadas pola COVID-19", resaltou Prado. Violencia machista Entre as medidas do BNG tamén figura a loita contra violencia machista, e insta á Xunta a que faga seguimento desta cuestión, que reforce o control e que "habilite todos os mecanismos de asesoramento e axuda ás mulleres". Economía e traballo O aspecto económico ocupa tamén unha parte das proposicións non de lei presentadas polo Bloque, especialmente as dirixidas á situación das e dos traballadores autónomos así como á vulnerabilidade económica das máis de 200.000 galegas e galegos afectados polos expedientes de regularización temporal de emprego (ERTE). No primeiro caso, a formación que lidera Ana Pontón demanda unha axuda autonómica de pago único de até 2.000 euros compatíbel coas habilitadas polo Estado, e propón tamén a creación dunha "mesa económica e social entre forzas políticas, Goberno e axentes sociais para estabelecer unha estratexia de país para abordar o brutal impacto que a pandemia está a ter na económica e no emprego". O BNG pon o foco no pequeno comercio e nos mercados de proximidade. No primeiro caso, aposta por un plan de impulso ao comercio local para garantir a supervivencia da actividade e dos postos de traballo que xera. En canto aos mercados de proximidade agroalimentares, defende que se autorice a súa reapertura en colaboración cos concellos, para garantir a cidadanía o acceso a produtos esenciais, todo co correspondente protocolo de seguridade como se aplica noutros estabelecemento de alimentación. Prado denuncia manobras dilatorias do PP O curso académico acapara varias das iniciativas rexistradas pola formación nacionalista, que propón unha mesa de diálogo coa comunidade educativa, incluíndo ANPAS e sindicatos do ensino, coa finalidade de buscar a mellor alternativa para o alumnado e evitar discriminacións derivadas da fenda dixital, "xa que non garante a igualdade de oportunidades no acceso aos contidos educativos", dixo. O Bloque quere activar ao máximo a actividade parlamentaria "para que o poder lexislativo aporte á resolución da crise exercendo o labor de control do Goberno e de impulso de medidas que lle corresponde, deixando atrás a mordaza do PP, que mesmo bota man de manobras dilatorias e obstrucionistas para evitar a comparecencia do presidente da Xunta", denunciou Prado.
PRAZA_8507
A cámara aprobou por unanimidade a iniciativa do BNG con orixe no traballo da asociación animalista Libera e a Fundación Franz Weber.
O pasado xoves o parlamento instou por unanimidade instar á Xunta a levar a cabo as medidas axeitadas para localizar e denunciar os responsables da colocación de calqueira artefacto inmovilizador nas patas dos cabalos, os coñecidos como pexas ou cepos. A iniciativa foi do BNG e tivo a súa orixe no traballo da asociación animalista Libera e a Fundación Franz Weber. Estes colectivos levan moito tempo desenvolvendo unha actividade moi intensa para erradicar o uso destes artefactos, que supoñen un calvario para os animais, impedíndolles desprazarse correctamente, sendo branco fácil de depredadores e vehículos nas estradas, e provocándolles toda clase de sufrimentos e deformidades nas patas. Despois dos graves lumes forestais que tiveron lugar en Galicia no ano 2006, as autoridades desenvolveron diferentes normativas para impedir esta práctica. Porén, 7 anos e varios decretos lexislativos despois a situación segue igual. Gran parte dos cabalos non están identificados e dificultan as investigacións xudiciais sobre posible malos tratos. Libera, co apoio e colaboración da Fundación Franz Weber, lanzaron en 2012 a primeira liña de denuncia 24 horas, a través de la plataforma www.senpexas.info que recolleu 78 denuncias e localizou máis de 130 cabalos con cepos, cordas e cadeas. Hai un mes Libera lanzou unha ciberpetición na que se reclamaba a fin da colocación de pexas. Neste tempo a petición recolleu máis máis de 43 mil apoios. E iso a pesar de que Facebook bloqueou o perfil de Rubén Pérez, voceiro da asociación Libera, durante quince días, suponse que "por entender que facía difusión de contidos violentos". O obxectivo -máis que superado- era chegar ás 10.000 sinaturas para apoiar a proposición non de lei presentada a finais do mes de febreiro polo BNG no Parlamento. A proposición destacaba "que os cabalos son parte inalienable do noso patrimonio natural", polo que "resulta incrible que o maltrato sexa unha tónica habitual nos montes galegos". E lembraba que o Regulamento europeo nº504/2008 "comezou coa obriga da identificación efectiva do gando equino co obxetivo de mellorar a trazabilidade e o benestar animal. Sen embargo esta identificación, segundo datos dos propios defensores dos animais só sería real no 20% da cabana equina galega". Esta falta de identificación provoca que as denuncias perante as Fiscalías Provinciais de Medio Ambiente sexan arquivadas ou sobreseídas, xa "que tanto á Garda Civil como ao Ministerio Fiscal resúltalles imposible detectar quen é o responsable ou responsables destes actos de crueldade animal". Despois de seis semanas de percorrido parlamentario a proposición foi aprobada prevendo medidas para perseguir quen coloque "artefactos mobilizadores que causen danos, traumatismos ou sufrimento" e que, ademais, "incumpran a normativa vixente de benestar animal". Tamén pide "intensificar" o desenvolvemento da aplicación do regulamento 504/2008 e da normativa autonómica concordante.
PRAZA_20994
Están convocadas concentracións na Coruña, Chantada, Compostela, Pontevedra, Ourense, Ordes, Betanzos, Lugo, Vigo, Vilagarcía, Vilalba e Ferrol. Unha ducia de entidades sociais denuncian que a Xunta "semella ter repartido xa o pastel, enfocando unha gran parte dos recursos cara á industria enerxética e as empresas que pretenden lucrarse cun novo espolio dos recursos do sector forestal"
O Estado español recibirá ao redor de 140.000 millóns de euros ao abeiro do Fondo Europeo de Recuperación aprobado para loitar contra as consecuencias sociais e económicas da pandemia de Covid-19, a metade como préstamos e a outra metade a fondo perdido aínda que condicionados á realización dunhas determinadas políticas. A metade dos fondos serán xestionados polas comunidades autónomas.As concentracións están convocadas na Coruña, Chantada, Compostela, Pontevedra, Ourense, Ordes, Betanzos, Lugo, Vigo, Vilagarcía, Vilalba e FerrolUnha ducia de entidades sociais (Sindicato Labrego Galego, Amigos da Terra, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Organización galega de comunidades de montes, Extinction Rebelion, Verdegaia, Plataforma veciñal mina Touro O Pino Non, Petón do Lobo, Salvemos a Comarca de Ordes, Asociación Espazo Agroecolóxico A Estruga, Nais polo Clima e Stop Desafiuzamento) convoca concentracións para este sábado pola mañá na Coruña, Chantada, Compostela, Pontevedra, Ourense, Ordes, Betanzos, Lugo, Vigo, Vilagarcía, Vilalba e Ferrol para protestar contra a maneira en que se reparten este fondos europeos de recuperación Next Generation.As entidades convocantes piden que os fondos de recuperación non sirvan para seguir aumentando "os beneficios económicos de grandes empresas contaminantes que vulneran os dereitos das persoas traballadoras"Estas concentracións reclaman á Xunta e ao Goberno central "transparencia" na toma de decisións e nos criterios de adxudicación, esixindo "un proceso de participación pública vinculante para decidir o destino dos cartos". Tamén se pide a priorización da contratación para proxectos estratéxicos de desenvolvemento local, centrar o destino do orzamento "nunha verdadeira transición ecolóxica e a descarbonización da economía". Reclámase igualmente que os proxectos prioricen a colaboración público-comunitaria e dean prioridade "ao apoio de iniciativas de persoas autónomas, labregas, mariñeiras artesás, cooperativas e pemes por ser os segmentos laborais que máis empregos xeran e máis repartidos están por toda a xeografía galega". Finalmente, demándase máis investimento para saúde, educación, investigación, coidados e cultura.As entidades convocantes piden que os fondos de recuperación non sirvan para seguir aumentando "os beneficios económicos de grandes empresas contaminantes que vulneran os dereitos das persoas traballadoras" e denuncian que o Goberno español, a través da publicación do RD 26/2020, "anuncia como pedra angular a colaboración público-privada". Ademais, "limita as posibilidades de acceso, impoñendo uns investimentos mínimos que unicamente poden cumprir os grandes proxectos corporativos dunhas poucas empresas", sinalan. A Xunta "semella ter repartido xa o pastel, enfocando unha gran parte dos recursos cara á industria enerxética e as empresas que pretenden lucrarse cun novo espolio dos recursos do sector forestal galego"En Galicia, apuntan, a Xunta "semella ter repartido xa o pastel, enfocando unha gran parte dos recursos cara á industria enerxética e as empresas que pretenden lucrarse cun novo espolio dos recursos do sector forestal galego". As entidades sociais que convocan a protesta relacionan o reparto de fondos coa a Lei de Simplificación administrativa e Reactivación Económica de Galicia, que se está a tramitar no Parlamento galego e que está "feita a medida das empresas extractivistas de enerxía e outros proxectos especulativos", denuncian.
NOS_36931
Os mercados de poden reabrir as portas a partir deste sábado, seguindo as medidas sanitarias oportunas
Os mercados de gando poden reabrir na Galiza a partir deste sábado. O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicaba onte, sexta feira 22 de maio, os protocolos e normas que deben seguir. Algunhas das indicacións recollidas apuntan que só as persoas que vaian efectuar operacións de compravenda ou transporte poderán participar neles. Con tal fin, a entidade organizadora terá que realizar un control na entrada principal para permitir o acceso ás instalacións. Doutra banda, a carga e descarga do gando realizarase de maneira gradual para evitar a confluencia masiva de persoas e a entrada nas dependencias veterinarias producirase de maneira individual. A maiores, as usuarias do recinto deberán portar máscaras, respectar a distancia física interpersoal de dous metros e nas zonas de acceso colocaranse dispensadores de xel hidroalcólico, así como haberá outros elementos de protección para asegurar o distanciamento coas persoas operadoras. De existir a posibilidade, nas dependencias destes mercados de gando habilitaranse distintos puntos de entrada e saída para que non exista cruzamento de persoas e limitarase o aforo máximo.
NOS_33169
O nacionalista lamenta que o Executivo de coalición en Madrid esté a achegarse a PP e Ciudadanos para conseguir apoio ás partidas de 2021. Ademais, advirte de que aínda non se cumpriron os acordos de rápida aplicación en favor do pobo galego.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, amosou esta cuarta feira a súa preocupación polo cambio que está a amosar o Executivo de coalición entre o PSOE de Pedro Sánchez e Unidas Podemos de Pablo Iglesias. O nacionalista criticou que os socialistas non cumpriran os acordos de aplicación urxente que se pactaron a cambio do apoio na investidura. "O Bloque Nacionalista Galego apoiou a investidura en función dun acordo que recolle melloras en diferentes ámbitos que van dende infraestruturas até políticas sociais e que o Partido Socialista asumiu executar ao longo da lexislatura", destacou Rego nunha comparecencia. Algúns dos compromisos acadados, non só co partido "senón con todo o pobo galego", "serían de execución inmediata en 2020". No entanto, desde o seu punto de vista aínda non houbo avances suficientes nesta liña. "Este acordo tivo unha acollida moi positiva polo conxunto da sociedade galega porque nel se recollen medidas e solucións a problemas que, en moitos casos, levan décadas esperando a solucionarse", declarou o deputado. De cara ao debate da folla orzamentaria para 2021, aproveitará para insistir nos asuntos que incluía o pacto. O representante foi máis alá ao sinalar que detectou un xiro á dereita por parte do PSOE na procura de apoios no Partido Popular e en Ciudadanos para a aprobación das partidas económicas do ano próximo, deixando a un lado as forzas soberanistas de esquerda que apoiaron a investidura de Pedro Sánchez. Ao fío desta revelación dixo: "Resulta sorprendente que Pedro Sánchez chame o Partido Popular a contribuír a aprobar 'uns orzamentos progresistas'. É evidente que se contan co apoio do PP de ningunha maneira serán verdadeiramente progresistas". Un activista máis O galego aproveitou a súa comparecencia para explicar a súa satisfacción pola sentenza que nega que a familia Franco sexa a lexítima propietaria do Pazo de Meirás. Tamén agradeceu a labor de todas as partes neste proceso de loita cidadá. De feito, Rego é un dos activistas coñecidos como os 19 de Meirás pola acción simbólica de protesta no inmoble hai uns anos.
NOS_14933
As transportistas advirten de que a falla de seguridade pon en risco a cadea de subministro de alimentos.
As transportistas, a través da Organización Empresarial de Loxística e Transporte (UNO) séntense desprotexidas e piden aos ministerios de Sanidade e Transportes o subministro de material de seguridade sanitario básico para as súas empresas co fin de evitar problemas na cadea de subministro e garantir que os alimentos cheguen aos fogares. Neste senso, o presidente da asociación, Francisco Aranda, vén de solicitar ao Goberno que as traballadoras do sector formen parte do segundo gran grupo de prioridade, após as profesionais da saúde, na asignación de xeles, máscaras e guantes, co gallo de garantir o subministro a estabelecementos de alimentación, de produtos de primeira necesidade e farmacéuticos ou o reparto a domicilios durante a crise. "É fundamental salvagardar a súa seguridade, porque son un colectivo fundamental no abastecemento e porque dotándolles destes elementos podemos previr un aumento de casos de coronavirus", destacou Aranda. A alimentación, prioritaria Segundo os datos da asociación, desde a entrada en vigor do estado de alarma, o sector loxístico incrementou 15% as operativas vencelladas ao comercio electrónico, relacionado con produtos de alimentación, primeira necesidade e parafarmacia, ao tempo que viviu un descenso importante nas vencelladas ás actividades afectadas polo estado de alarma. "As empresas están a priorizar o reparto e abastecemento de alimentación, farmacias e produtos de primeira necesidade, tanto no subministro a estabelecementos de alimentación e farmacias para a reposición diaria de produtos coma no reparto a domicilio de comercio electrónico, onde tamén se priorizan os prouctos de alimentación, nutrición e hixiene", indicou o directivo.
PRAZA_13028
O Festiletras, a programación de actividades lúdicas e culturais que se celebra todos os anos en Ponteceso na semana das Letras, supera nesta edición tres décadas de "carreira de obstáculos" para os falantes. A edición deste ano comezou o mércores e chegará até o domingo.
"Hai unha viñeta de Castelao que di: Ti estás cos de antes ou cos de agora? Eu estou cos de despois. Esa é básicamente a filosofía dos que facemos o Festiletras". Case unha bacanal de letras é o que levan armando os últimos trinta anos -"e un día"- en Ponteceso para celebrar o 17 de maio. O Festiletras, a programación de actividades lúdicas e culturais -unha sorte de festas parroquias da lingua-, que celebran todos os veciños da terra de Eduardo Pondal, supera nesta edición tres décadas de "carreira de obstáculos" para os falantes. Case unha bacanal de letras é o que levan armando os últimos trinta anos -"e un día"- en Ponteceso para celebrar o 17 de maio Os promotores son os membros da Asociación Cultural Monte Branco, da parroquia do Couto, a mesma xente que está detrás da Fundación Pondal, aínda que oficialmente figure o Concello. Tamén participan a Asociación Inllar, Asociación A Oliveira de Monte Branco e Colectivo Con V de Valarés, e contan con colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Un proxecto colectivo "Festiletras é un esforzo colectivo de compromiso co país", explica o coordenador, José María Varela, en conversa con este diario: "Aquí non só participamos persoas do mundo do ensino, hai compañeiros que son labregos, mecánicos, limpiadoras…, que adican o seu tempo libre a cantar no noso coro, a participar na organización, a manternos vivos. Houbo un momento na historia deste país en que aos políticos en xeral se lles enchia a boca falando do rural, pero non fixeron nada e vemos que está a morrer e con el boa parte da nosa cultura". "Festiletras é un esforzo colectivo de compromiso co país" "Coa axuda do sol", inaugurouse onte esta semana de celebracións cun recital de versos de Pondal e de Paz Andrade, feito por nenos de seis escolas de Bergantiños - o Colexio Rural Agrupado (CRA) Novo Mencer (Coristanco), o CRA Os Remuíños (Cabana de Bergantiños), o Centro Público Integrado As Revoltas, o CRA Nosa Señora do Faro, e os CEIP de Laxe, Eduardo Pondal e As Forcadas (Corme)-. En opinión de Varela, "os profes de educación infantil deste país, que son a maioría profas, fan un labor impresionante inculcándolles a nosa cultura aos nenos; merecen unha homenaxe de todos os galegos. Onte os nenos recitaban de memoria un poema de Pondal, que ten moitas dificultades, e cantaban expontaneamente os temas populares que interpretaba o home orquesta -Cé Pantasma-". O domigo, día grande Este xoves entregáronselle a Xosé Pumar Gándara, Uxía Blanco e o Mago Antón os premios Queixumes, os galardóns Bos e Xenerosos da Fundación Eduardo Pondal. Pola tarde transcorre unha master class de Kepa Junkera –"que xa namorou do lugar"-, un formato que pensan ampliar en edicións futuras "polo seu bo funcionamento". Péchase o día coas 'contadas' de Quico Cadaval e Celso Fernández. Coa presenza do escritor Xosé Neira Vilas, o venres inaugúrase na Casa dos Veciños a exposición Querido Balbino. E de noite soará La Troba Kung Fu, despois de que pola tarde impartan un obradoiro de rumba catalana. O domingo "chegamos ao día grande", segundo o coordenador. "Convertiuse cos anos nun clásico noso, porque cando comezamos o Día das Letras non era festivo, así que a maior festa deixabámola para o domingo seguinte" O sábado será xornada de convivencia entre a Fundación Eduardo Pondal e a López Abente, e arrincará unha exposición de torneiros na sede da primeira. Será tamén o día de Valentín Paz Andrade, cun café na lareira da fundación, coordinado por Luis Giadás e presentado por Jorge Mira. O domingo "chegamos ao día grande", segundo o coordenador. "Convertiuse cos anos nun clásico noso, porque cando comezamos o Día das Letras non era festivo, así que a maior festa deixabámola para o domingo seguinte", explica. Pola mañá inaugurarase a XXX Feira de Artesanía, haberá actuacións de música e danza de Monte Branco e Inllar, e rematará coas Cantareiras de Ardebullo. "Convido a todo o mundo a participar. A xente neste país ten ganas de cultura. E ten ganas de rir, porque a risa cambia o mundo. Hai xente con moita cabeciña neste país, se nos deixásemos de liortas e volvésemos a ser nós mesmos, outro galo nos cantaría. E eu pensó que si, que outro galo nos cantará. En Ponteceso seguiremos traballando para iso".
PRAZA_15434
O BNG censura a actitude "antidemocrática" dos grupos encabezados por Rubalcaba e Rosa Díez e lamenta que "impidan" que toda a oposición do Congreso dos Deputados asine un único recurso ante o Constitucional contra a retallada
Oposición unánime, pero non cunha soa voz. Este xoves ía ser a xornada dunha imaxe histórica: a de todos os grupos da oposición no Congreso dos Deputados anunciando que todos os seus membros ían asinar un único recurso de inconstitucionalidade contra a decisión do Goberno central de non revalorizar as pensións de xubilación conforme á suba dos prezos, como marca a lei. Así ía ser e por iso os xornalistas parlamentarios agardaban que o líder do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, comparecese ante a prensa cos representantes das demais forzas para explicar un acordo que era inédito e que, finalmente, seguirá tendo este carácter. A razón non é outra que un veto a Amaiur. Segundo as informacións que chegan dende Madrid o Grupo Socialista negouse, xunto a UPyD, a escenificar unha fronte común na que tamén participasen os deputados abertzales. Malia esta negativa, Rubalcaba explicaba ante a prensa que "é a primeira vez na historia da demoracia que todos os grupos da oposición asinan conxuntamente un recurso ante o Tribunal Constitucional". Pero isto non chegou a acontecer. "UPyD veta a Amaiur e o PSOE, admíteo", resumían dende a formación vasca, cuxa contrariedade se estendía a outros grupos como Esquerra Republicana ou o BNG. Precisamente o Bloque foi, xunto a ERC, un dos grupos que decidiu non participar na "presentación" que "o PSOE tentou organizar ante os medios". Os socialistas, explica a formación frontista, "convidaron a diversas forzas a participar no acto" pero as deputadas galegas "decidiron non participar nesa comparecencia en canto coñeceu a decisión de PSOE e UPyD de excluír a Amaiur". "O BNG foi forza impulsora da presentación deste recurso", explican as nacionalistas, pero "non vai tolerar nunca que ninguén se arrogue o dereito a decidir que forzas políticas democráticas poden ou non asinar un texto". "É intolerábel en termos democráticos a exclusión, por motivos puramente sectarios, dunha forza política representativa dun importantísimo sector da poboación vasca", abondan. "A exclusión é intolerábel en termos democráticos", di o BNG, que se desmarcou da presentación tras o veto Así as cousas, e nun contexto no que, aclara o BNG, "o recurso aínda non foi asinado por ningunha forza política" nin "rexistrado ante o Constitucional", o rexeitamento do recorte por parte de todas as forzas da oposición mantense, pero non a súa unidade. Deste xeito, non haberá recurso ante o TC co aval de todos os grupos aínda que, na sesión plenaria da propia Cámara Baixa, o decreto que formalizou o recorte só recibiu este xoves os votos a favor do PP. Os demais grupos votaron en contra agás UPN e Foro Asturias, que se abstiveron.
NOS_19937
Afirma que a situación epidemiolóxica da Galiza "é tranquila".
O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feixoo, defendeu que a situación epidemiolóxica de Galiza é "tranquila" e "mellor en calquera parámetro" que a do resto do Estado a pesar da evolución do brote da Mariña, con máis dun cento de infectados. Por iso, comprometeu "transparencia" e "rigor" e rexeitou "facer política cun virus". Ao termo dun acto electoral na Coruña, en declaracións aos medios, e mentres a oposición pon o foco con intensidade no brote da Mariña, o presidente galego pediu "un pouco de proporcionalidade e responsabilidade" e subliñou que Galiza está ás portas de "decidir o seu futuro" para o próximos catro anos. Un día despois de que a Xunta anunciase o peche da Mariña polo menos durante cinco días, Feixoo, no seu día criticado pola oposición por fixar as eleccións para o 12 de xullo, reafirmouse en que "canto máis se espere, máis xente visite Galiza e máis fronteiras se sigan abrindo, máis posibilidades hai de brote". "Non creo que se deba facer política cun virus. Polo menos os que tentamos preservar a saúde por riba de calquera consideración imos seguir traballando con rigor e pedindo á xente que nos axude, porque unha persoa que non cumpra as obrigacións non só se vai a infectar ela, senón que infectará a moitos outros que non o merecen", resolveu.
QUEPASA_757
O Bm. Xallas arrinca mal a Fase de Ascenso caendo no partido de ida na casa
4 anos leva a marea verde viaxando co Bm. Xiria buscando o asalto á División de Honra Prata, a segunda máxima categoría do balonmán estatal. E 4 anos levan volvendo a casa coa sensación de telo dado todo, pero sen premio. Volveu acontecer esta fin de semana en Avilés. Máis de 150 Xiriareiros desprazáronse co equipo á vila asturiana e fixeron vibrar, en cor verde, o pavillón. Outros non podían viaxara pero ateigaban os bares para ver en directo a fase. Pero non puido ser, e iso que a cousa prometíase despois de que o venres, na primeira xornada da fase, o Calvo vencese por 26-29 ao CB Visconconfort Maristas Algemesí. O sábado, sabendo xa que o UE Sarriá gañara os dous primeiros partidos, non era un choque definitivo, e os carballeses caían por 25-24 ante o Cafés Toscaf Atl Avilesina. Tocaba gañar si ou si o domingo ante o UE Sarriá. Os de Fernando Vázquez saíron a por todas pero o cadro catalán foi superior e tiveron un día especular, e o peor dos carballeses. 31-22 e o soño do ascenso esvaece. Non impide que sexa esta unha nova e histórica temporada para un cadro que está facendo as cousas perfectamente. Un equipo da casa, con xente da casa, que conecta ca xente da caasa, e que ano tras ano está entre os mellores da categoría. Fase de Ascenso á 1ª Autonómica Resultado: Club BM Xallas - Galipizza Viveiro (29-31) Descanso: 15-14) Continúa sen levantar a cabeza o equipo xalleiro na visita do Galipizza Viveiro a Fontenla, no encontro de ida da promoción de ascenso a 1ª división autonómica.Os de Victor Garrido sufrían na movilidade de balón, e na defensa sufrían coa superioridade física dos de Viveiro no un contra un. A portería xalleira con Jorge e Martín e a efectividade no lanzamento exterior de Ivan mantiñan 1 arriba ao descanso ao conxunto local.Á volta do descanso, saía Viveiro máis metido no partido e axustando a defensa para rematar de anular o lanzamento exterior, logrando un mortífero parcial de 4-10 deixaban por momentos 6 goles por debaixo aos locais. Cando o Xallas logrou cambiar o ritmo do partido recortou diferenzas, que esperamos que sexan suficientes para darlle a volta a eliminatoria o próximo sábado en Viveiro.
NOS_40383
Un tesouro de valor incalculábel para o noso patrimonio deixou de estar hoxe á vista do público despois de que a familia de Álvaro Gil retirase a colección que depositara no Museo de Lugo. Cunha furgoneta e un notario, os familiares levantaron a colección sen previo aviso e sen informar do destino que lle deparan.
A familia retira a colección que levaba máis de corenta anos exposta no Museo de Lugo pola vontade de Álvaro Gil despois da sentenza xudicial que vala a súa reclamación. Hai só oito días que o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, anunciara que as negociacións coa familia non chegaran a acordo algún, a pesar de que a deputación ofrecera 2.350.000 euros pola colección ademais de 600.000 para asumir os custes procesuais dun litixio que durou 14 anos e que comezou baixo o goberno de Francisco Cacharro. "Sobre esta cantidade, incluíndo o prezo das pezas e custes procesuais, e sobre os prazos de pago, acordado en catro anos que esixían a esta institución un esforzo ímprobo, había un acordo, mais a familia esixía poder reclamar danos e prexuízos polos anos que a pezas non estiveron a dispor dos propietarios", explicou entón Mario Outeiro, desbotando esa posibilidade polas consecuencias xudiciais que puidera ter para a institución de cara ao futuro. A familia só negociou coa posibilidade de compra sobre a mesa e foi a discrepancia económica a que pechou un litixio que dura xa catorce anos. Homenaxe a Álvaro Gil O Museo de Lugo abriu as súas portas despois do levantamento da colección de Álvaro Gil, sen xa algunhas das pezas máis valiosas do seu fondo, e anunciou que nunha semana a Sala Corredoira abrirá cunha nova proposta expositiva. A delegación de Cultura defendeu que a institución está "en débeda co que foi o gran mecenas e activista cultural" e anunciou varios actos de homenaxe a súa figura, ao coleccionista que permitiu gozar publicamente das súas obras durante máis de corenta anos. A Consellaría de Cultura anunciou o inicio do proceso para declarar ben de interese cultural a colección de Álvaro Gil co fin de dotala de protección legal mais, a tal altura, descoñécese cal é o destino que a familia garda para o que está considerado un dos tesouros do patrimonio cultural galego con pezas como o torques de Burela, o colar de Chaos de Barbanza ou o carneiro alado de Ribadeo.
NOS_27013
O Novo Proxecto Común formalizará a súa constitución como organización política o día 14 de xullo. Así quedou fixado na xuntanza da Coordinadora Provisional de Asembleas Locais e Comarcais que desenvolveron en Teo.
Na xuntanza de Teo, os promotores do NPC fixeron un chamamento a aquelas persoas do nacionalismo galego que queiran contribuir á "construción do novo referente" político. Polo de agora, Máis Galiza, Ecogal e Acción Galega toman parte de Compromiso por Galiza. A primeira xuntanza de asambleas locais e comarcais tivo lugar o pasado 2 de xuño tamén en Teo constituíndose hoxe como coordinadora nunha xuntanza na que anunciaron a data da asemblea de constitución como organización política.
NOS_48436
A delicada situación social e económica que viven os Estados Unidos de América como consecuencia da pandemia da Covid-19 conseguiu modificar o veto dos republicanos para activar as medidas solicitadas polos demócratas.
O Congreso de Estados Unidos de América (EUA) aprobou esta pasada segunda feira un orzamento de rescate por valor de 900.000 millóns de dólares (735.000 millóns de euros) para facer fronte á devastación económica causada pola pandemia. Segundo informou a cadea estadounidense CNN, a medida contou cos votos favorábeis da Cámara Baixa (359 a favor e 53 en contra) e do Senado (91 votos a favor e 7 en contra). Este diñeiro quedará incluído dentro da lei de gasto para financiar a administración federal até o mes de setembro de 2021 por un valor total de 2,3 billóns de dólares. Aínda así, para a súa entrada definitiva en vigor deberá contar coa ratificación do presidente saínte, Donald Trump. Os puntos máis rechamantes do paquete de estímulo aprobado son o pagamento de 600 dólares a todas as e os estadounidenses con ingresos menores a 75.000 dólares anuais e un subsidio ao desemprego de 300 dólares semanais. As axudas tamén inclúen 325.000 millóns para as empresas con problemas (275.000 deles para o pago de nóminas), 45.000 millóns de rescate aos sistemas de transporte público do país, 82.000 millóns para as escolas, 20.000 millóns para a distribución de vacinas contra a Covid-19 ou 13.000 millóns para financiar os cupóns da comida que se está a distribuír. Meses de veto republicano para aprobar o rescate Demócratas e republicanos anunciaron o acordo após meses de estancamento para incluír o rescate dentro da lei de gasto para 2021. O Congreso aprobou en marzo, ao comezo desta pandemia, un rescate de 2,2 billóns de dólares, o maior da historia deste país, mais os beneficios, incluído o subsidio ao desemprego, fóronse esgotando a medida que pasaban os meses. Os demócratas tentaron aprobar este pasado verán un novo rescate de máis de 3 billóns de dólares, mais republicanos e a Casa Branca bloquearon ese gasto e as negociacións fracasaron en varias ocasións desde entón. O presidente electo de Estados Unidos, Joe Biden, mostrou o seu apoio á aprobación deste rescate de 900.000 millóns de dólares, aínda que avisou que non é suficiente e que se necesitarán máis fondos cando chegue á Casa Branca no mes de xaneiro. .
NOS_5508
Todas as persoas de fóra da Galiza que este verán visiten o país contarán cun seguro de asistencia médica gratuíto que cubrirá calquera incidencia durante a súa viaxe, non só as derivadas da Covid-19. A Xunta adxudicou o contrato a unha aseguradora madrileña por 1,4 millóns de euros até febreiro de 2022, un período prorrogábel por outros nove meses, co que a contía ascendería a 2,5 millóns.
Na súa aposta por promover Galiza como un "destino seguro" para viaxantes procedentes de calquera outro territorio, a Xunta adxudicou o pasado maio o "seguro de asistencia en viaxe" á empresa aseguradora multinacional Europ Assistance SA (sucursal en España), con domicilio social en Madrid. Con esta iniciativa, delegada no sector privado, o Goberno de Alberto Núñez Feixoo sufraga de forma indirecta, desde xuño, os custos derivados da asistencia hospitalaria a todo aquel turista ou peregrino que non resida en territorio galego. O seguro actívase automaticamente ao se aloxar nun estabelecemento regrado na Galiza, e é completamente de balde coa única condición de que o viaxeiro non tivese contraído a Covid-19 antes de pisar territorio galego ou accedese estando desaconsellado ou prohibido polas autoridades sanitarias do seu país de orixe. O contrato está dotado dunha partida inicial de 1,4 millóns de euros, con vixencia até o 28 de febreiro de 2022, mais a partir desa data podería prorrogarse por outros nove meses —de o acordaren de mutuo acordo ambas as partes— sumando outro millón de euros, polo que a contía total roldaría os 2,5 millóns. Cobertura alén da Covid Segundo figura nos pregos do contrato, a aseguradora comprométese a cubrir todos os "gastos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos e de hospitalización por accidente e enfermidade, incluída a Covid-19", isto é, abrangue os custos da asistencia médica alén de contraer o coronavirus. A contía, no rango máis alto de cobertura, chegaría aos 5.000 euros, dos cales os 100 primeiros correrían a conta da persoa visitante. Tamén se fai cargo da prolongación obrigada da estadía da ou do turista por mor dunha corentena, até un máximo de dez días e un montante de 1.000 euros, dos que, novamente, a persoa afectada debería abonar os 50 primeiros euros. Aliás, inclúe os gastos derivados da repatriación sanitaria e falecemento pola Covid-19 até un máximo de 15.000 euros. Cómpre salientar, así mesmo, que a Xunta reserva no contrato unha partida de 110.000 euros para dar publicidade ao 'seguro Covid' a través dos medios de comunicación, 70.000 dos cales están destinados a emisoras de radio galegas e edicións dixitais de xornais do país, a pesar de que as persoas residentes na Galiza non pode acceder a este servizo. Os turistas non computan como positivos na Galiza Como xa informara nesta terza feira Nós Diario, as persoas viaxantes de alén da Galiza que dan positivo nas probas de detección da Covid-19 non computan nas estatísticas oficiais da Xunta nos respectivos municipios. A xefa do servizo de Anestesioloxía e Reanimación do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e membro do Comité Clínico, Marina Varela, resta importancia a esta cuestión: "O problema non se soluciona con dar as persoas que veñen de fóra; cos casos de residentes na Galiza, que son o groso dos contaxios, xa vemos que hai un aumento", argumenta. Varela admite que o control "nunca é exacto nin aquí nin noutros lugares", mais afirma que "xa se está a controlar aos turistas". Porén, hoxe o Goberno galego unicamente exixe aos procedentes de territorios cunha alta incidencia da Covid-19 —do Estado español ou doutros países— cubrir un formulario cos seus datos de contacto. Pola súa banda, o médico especialista en Análises Clínicas Luis Vázquez apunta que, se ben quedaría "o comido polo servido" polos positivos de galegos fóra do país, todos os contaxios "deberían computarse no lugar onde se detecten". "Se vés pasar varios días de vacacións e dás positivo, seguramente te contaxiaches aquí e deberías computar como un caso autóctono", engade. Unha situación "preocupante" Ante o constante incremento de casos experimentado nas últimas datas, o doutor Vázquez advirte: "Malia que os hospitais teñen agora unha carga mínima e a letalidade reduciuse a 0,05%, volvemos saturar a Atención Primaria, e isto pode ser perigoso porque, se xa estaba a ter problemas, nos meses de verán pode ser aínda peor porque moitos profesionais collen vacacións". A este respecto, cre que a Galiza podería volver sufrir un aumento das restricións nas vindeiras datas: "A taxa de positividade rolda 10%, se non controlamos a expansión do virus podemos pasar un verán moi malo", sostén, e matiza que a 'man dura' nas medidas de control da pandemia "non ten por que pagalas de novo a hostalaría". Tamén a doutora Varela ve o aumento da incidencia como un "motivo de preocupación". "Hai un claro aumento na Galiza, mais sobre todo en sectores da poboación aínda non vacinados, como foi o caso do surto de Mallorca", afirma.
NOS_57762
O nacionalista estaba sendo investigado pola súa presunta participación en delitos en agosto de 2017, cando un grupo de activistas entrou no complexo do pazo de Meirás para protestar contra o franquismo e reclamar a entrega do inmoble ao pobo. As e os maxistrados lembran, ademais, que hai delitos que non teñen cabida tendo en conta que hoxe hai sentenzas que confirman que o patrimonio debe estar nas mans do Estado.
A causa aberta contra o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, por unha protesta no pazo de Meirás para reclamar a súa devolución ao pobo vén de ser arquivada. Así o anunciou hoxe a sala do Penal do Tribunal Supremo, que trataba as actuacións porque foran derivadas desde o Xulgado de Instrución de Betanzos. O asunto facía referencia aos actos do 30 de agosto de 2017 -denunciados pola Fundación Francisco Franco e a propia familia do ditador- cando distintos activistas despregaron no complexo pancartas en contra do franquismo e reclamando a entrega ao Estado. Agora o Supremo toma a decisión de arquivo, en acordo coa Fiscalía, porque non atopa "carácter delituoso dos feitos suficientemente xustificado e ademais non alcanzar os indicios existentes de participación do aforado a mínima solidez esixida". Por outra parte, a Xustiza declara que non ten competencias ao respecto das outras 17 persoas que estaban sendo investigadas pola reivindicación, pois ningunha ten condición de aforada. Os feitos descritos na exposición razoada elevada ao alto tribunal sinalaban que o 30 de agosto de 2017 un empregado do pazo observou como un grupo de persoas accederon tanto á leira, ao interior do inmoble como á súa cuberta, tras rubir polos muros perimetrais da súa propiedade. "Tras introducirse na propiedade, e segundo recolleu a Garda Civil de Sada no seu atestado, un dos grupos formado permaneceu no xardín do pazo, algúns deles subidos ás balaustradas, despregando unhas pancartas de grandes dimensións co lema 'Que nos devolvan ou roubado. Franquismo nunca máis". Supostos delitos de danos No escrito, que agora vai ao arquivo, considerábase, indiciaria e provisionalmente, que Rego cometera "delitos de danos, violación de morada, contra a honra do art. 205 CP; e de odio". Porén, o Supremo entende que non hai "indicios sólidos" da participación en tales accións. "Indícase na propia exposición razoada que a actuación de cada interveniente no acto reivindicativo, non pode ou non puido ser individualizada. Sen que nada permite inferir, acción directa dañosa nin directriz neste sentido impartida polo aforado; tampouco que fosen os danos consecuencia dunha acción conxunta colectiva consecuencia dun acordo expreso ou tácito para a realización de danos, por outra banda incongruente en relación a un acto reivindicativo dese propio ben de interese cultural, as Torres de Meirás", di o Supremo. Aliás, o ditame destaca que "é reiterada a xurisprudencia constitucional que sinala que nestas manifestacións colectivas, nin sequera aos dirixentes, cabe imputar penalmente os excesos que no seu caso, sexan cometidos por terceiros". Alusións á devolución actual ao Estado No escrito ao que tivo acceso en exclusiva Nós Diario, as e os maxistrados subliñan que non se lle pode imputar ao deputado un delito de odio, como se pedía, porque "non se identifica grupo minoritario necesitado de especial protección ao que pertenzan os responsábeis da querela cando se senten destinatarios das pancartas exhibidas". Sobre a devolución do "roubado", entenden que o "roubado é unha expresión coloquial que non se atribúe a persoa concreta". Así mesmo, cando nos escritos se facía referencia ao "pazo" tampouco se pode entender con literalidade xa que "obviamente se trata dun ben inmoble". Suxiren desde o tribunal que, en todo caso ao formar parte dun acto reivindicativo, as frases deben ser contextualizadas. Esa entrega ao pobo que se reclamaba é unha "prédica de pertenza que non se realizou con temerario desprezo da verdade, cando á marxe do resultado final do litixio civil que en paralelo segue sobre o pazo, existe xa algunha resolución xudicial aínda que non sea firme que afirma a súa titularidade estatal". Visitas abertas fronte á acusación de violación de morada Respecto da acusación de violación da morada, lembran ás persoas que interpuxeron a querela que teñen que darse unha serie de circunstancias para que un espazo se considere unha morada. Por se fora pouco, destacan que no momento dos feitos o edificio estaba aberto porque decorría unha visita das organizadas para as e os turistas. Deste modo, no Supremo aclaran que "non podía predicarse a existencia dunha intimidade preservada a uns potenciais moradores nas zonas de paso do interior".
NOS_22504
A "atrevida aposta plástica reforzada pola multiplicidade cromática próxima á estética naif e ao mundo da infancia" de O can de Mimo valeulle á húngara Mariann Máray a décimo segunda edición do Premio Internacional Compostela de Albums Ilustrados. Fallouse esta quinta feira.
O xurado formárono Nazaret de Sousa, Noemí Villamuza, Xosé Cobas, Manuela Rodríguez e José Morán, e tamén distinguiu como finalista Atrapamiradas, das catalás Marina Núñez (autora) e Avi Ofer (ilustrador). Foron as dúas obras escollidas entre case 300, procedentes de 24 países. "A calidade dos proxectos e dos dous finalistas, así como a súa diversidade enriquecedora" resulta indiscutíbel para Manuela Rodríguez, membro do xurado pola editorial Kalandraka, a entidade que, canda o Concello de Compostela, organiza o certame. Nove mil euros en concepto de adianto polos dereitos de autor e a publicación nas cinco linguas oficiais da Península Ibérica e mais en inglés conforman a dotación do concurso.
NOS_45739
Tras darse a coñecer os datos do paro rexistrado do pasado mes de outubro, que elevan a a 267.812 as e os parados no noso país, o BNG reaccionou cargando con dureza contra as políticas do Partido Popular. O PP pola súa banda limitouse a "lamentar" os datos mais tentou xustificalos asegurando que o descenso é o "tradicional" nos meses de outubro.
"Incompetente e incapaz de parar a sangría do paro". Así se referiu hoxe Olaia Fernández Davila a Alberto Núñez Feijóo. A deputada do BNG no Congreso afirmou que os datos de hoxe "contradín os da EPA, e a realidade é que o paro sigue a medrar en Galiza por riba da media estatal. Para Davila os datos, que cualificou de "pésimos", son responsabilidade do Goberno galego xa que, segundo ela, "demostran o estrepitoso fracaso das súas políticas". "Feijóo non fixo nada para parar este drama social, ao contrario" denunciou para de seguido reclamar "cambiar de rumbo e concentrar os esforzos na creación de emprego en lugar de seguir coa tesoira a facer recortes". Quen tampouco se librou das duras críticas da fronte nacionalista foi o Goberno central. Davila cargou contra Fátima Bañez despois de que a ministra de Emprego asegurase que a reforma laboral "era positiva para as empresas". "A reforma laboral é destrutiva e só favorece que as empresas manden a xente á rúa" retrucou a deputada do Bloque. Jorquera chama a secundar a Folga Xeral Pola súa banda Francisco Jorquera, quen exercerá a portavocía do BNG no Parlamento galego a partir do próximo día 16, denunciaba tamén que os resultados da reforma laboral son "o paro en taxas históricas, mais dun terzo de parados sen prestación, a fractura social servida". Jorquera chamou a secundar a folga xeral do próximo 14 de novembro. "Hoxe máis que nunca hai que plantarlles cara. Todos á folga do 14 de novembro" afirmou desde o seu perfil na rede social twitter. O PP limítase a "lamentar" os datos Ben diferente foi a reacción do Partido Popular, que se limitou a expresar que "lamenta o incremento das cifra do paro e asegura que a súa prioridade nesta Lexislatura seguirá sendo combatelo". Aliás, no comunicado remitido polos populares tentan xustificar os datos asegurando que "se rexistrou unha evolución interanual mellor en Galiza que a media do Estado" así como que " é tradicional que nos meses de outubro se rexistre un aumento do desemprego".
NOS_4366
O Palacio da Moncloa acolleu onte a primeira reunión desde a sesión de investidura entre o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o líder do Partido Popular, Pablo Casado. O conservador ofreceuse a chegar a acordos co Executivo estatal en materia orzamentaria e na renovación dos órganos constitucionais, como o Consello Xeral do Poder Xudicial, sempre e cando Sánchez renuncie aos acordos que subscribiu cos partidos nacionalistas e independentistas, non convoque a mesa bilateral entre o Executivo español e o catalán, non suba impostos e manteña a reforma laboral.
Non haberá acordos entre o Partido Popular e o Executivo español se o presidente do Estado, Pedro Sánchez, non renuncia ás políticas sociais que anunciou que levará a cabo e aos acordos que subscribiu coas forzas soberanistas, indispensábeis para levar a maioría das iniciativas do Goberno adiante. "Se Sánchez rompe cos batasunos, os independentistas e os nacionalistas aquí ten o PP para sentar a falar", sinalou o líder da oposición, Pablo Casado, ao concluír a súa reunión de onte na Moncloa con Sánchez. Foi esta a primeira xuntanza entre ambos os dous políticos desde que tivo lugar a sesión de investidura no Congreso dos Deputados no mes de xaneiro. O anterior encontro decorrera o pasado 16 de decembro no marco da ronda de contactos que o líder do Partido Socialista abriu após recibir o encargo do rei Filipe VI para formar Goberno. O líder da oposición tamén pediu ao presidente do Goberno que imprima un xiro radical a algunhas das primeiras decisións que tomou Casado ofreceuse onte a Sánchez para garantir a estabilidade nas contas a través dun pacto co PP para os próximos Orzamentos Xerais do Estado, sob a condición de romper o diálogo e os acordos que o PSOE alcanzou co soberanismo para a investidura e de renunciar á mesa de diálogo bilateral entre o Goberno central e a Generalitat de Catalunya para a resolución do conflito político nesa nación. Desbotar a intención de reformar o delito de sedición no Código penal, anunciada nas pasadas semanas polo executivo, é o terceiro requirimento que Casado formulou onte a Sánchez para poderen acordar os Orzamentos. O líder da oposición tamén pediu ao presidente do Goberno que imprima un xiro radical a algunhas das primeiras decisións que tomou. Nese sentido, reclamou a Sánchez que non nomee a ex ministra de Xustiza, Dolores Delgado, como fiscala xeral do Estado ao considerar o PP que "non reúne os requisitos" mínimos para ostentar tal cargo. En materia de política exterior, Casado tamén exixiu a Sánchez que volte a referirse a Juan Guiadó como "presidente lexítimo de Venezuela", após a semana pasada no pleno denominalo "líder da oposición". Con todo, a Moncloa xa reiterou que o Goberno segue considerando Guaidó "presidente encargado" de Venezuela. Manter a reforma laboral O mantemento da reforma laboral que en 2012 aprobou o Goberno de Mariano Raxoi foi tamén unha das condicións que Casado expuxo a Sánchez para poder chegar a acordos, xunto a unha renuncia a subir impostos. Tamén demandou do presidente un compromiso para non descentralizar a caixa da Seguridade Social, ante a posibilidade de que isto se produza como consecuencia das negociacións dos Orzamentos Xerais do Estado coas forzas vascas. Casado amosouse disposto a chegar a un acordo co PSOE no financiamento autonómico se antes Pedro Sánchez "entrega o IVE (adebedado) ás comunidades autónomas". Así mesmo, pediu a Sánchez que negocie duramente en Bruxelas en defensa dos intereses do sector agrícola. "Compromiso por España" titulou o popular o paquete que aglutina todas as medidas que pediu a Sánchez e no que económicas son "un capítulo fundamental", aseverou. Unha "mutación", engadiu Casado, foi a que se produciu no Partido Socialista, e emprazouno a "votar á moderación e a centralidade". "Aí se atopará co PP"; aseverou para rematar asegurando que "a pelota está no tellado de Sánchez". O Goberno ve Pablo Casado "instalado no bloqueo" Ao rematar a xuntanza, Pablo Casado ofreceu unha rolda de prensa aos medios. Mais antes de que comparecese o conservador, a Moncloa adiantouse para informar de que a reunión servira para constatar que a formación conservadora "non variara ningunha das súas posicións, a pesar da súa responsabilidade como principal partido da oposición". Así mesmo, tamén se sinalou que, pese á posición de Casado, Sánchez mantén o seu compromiso de que esta sexa "a lexislatura do diálogo" entre as forzas políticas para desbloquear asuntos tan importantes para a cidadanía como "o financiamento autonómico, o Pacto de Toledo sobre as pensións, ou a renovación de postos en organismos de gran transcendencia", engadiu o Goberno no seu breve comunicado. A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube
NOS_51439
O vicepresidente da Junta manifestouse así esta quinta feira, após unha intervención no Consello de Goberno. Así, ve mal a iniciativa que o BNG pretende levar ao Parlamento galego a instancias de Coalición polo Bierzo.
A Junta de Castela e León non está a favor de que O Bierzo deixe de estar dentro dese territorio para vencellarse a Galiza nin tampouco de que haxa unha unión maior, aínda manténdose no territorio. Esa é a conclusión que se extrae das declaracións do vicepresidente desta Administración, Francisco Igea, que hoxe destacou que ante eses "afáns imperialistas" a comunidade á que representa atende "á lei e ao ordenamento territorial". Despois de participar no Consello de Goberno, Igea foi interrogado sobre a iniciativa que o Bloque vai levar ao Parlamento para abrir a posibilidade da conexión galego-berciana, demandada incluso por parte da cidadanía da zona. No entanto, para o vicepresidente este é un "asunto típico de partidos nacionalistas". De feito, aludiu tanto á incorporación da comarca berciana ao país como que O Bierzo pase a ser unha provincia con independencia dentro da propia Castela e León. "Esta comunidade atense á lei, ao que está na Constitución, ao ordenamento territorial e, sobre todo, ocúpase dunha cousa, que non son de afáns e ensoñacións nacionalistas ou imperiais senón das cousas do día a día, da saúde, da asistencia, o emprego, os planes territoriais, de fomentar as cousas pequenas", remarcou. Así, lamentou que as e os nacionalistas estean moi ocupados "non seus soños imperiais e pouco ocupados nas realidades cidadás". Malia este discurso, a iniciativa do BNG segue adiante e pedirase o apoio da Cámara galega para que O Bierzo sexa primeiro provincia, e logo podería avanzarse na cuestión de en que territorio debería estar. En principio só se trata de avanzar nesa vía de gañar ligazóns para dar lugar a un "diálogo" entre as institucións galegas e os colectivos do Bierzo coa meta de colaborar en diversas cuestións que teñen en común. Desde o Bloque destácase que esta petición conta "cunha amplia base social", por xorde da "vontade do pobo berciano" como amosan algúns estudos e enquisas. As responsábeis de presentar esta proposición non de lei serán a deputada do Bloque María González Albert e o secretario xeral de Coalición polo Bierzo, Iván Alonso, que reclamou que se "escoite a voz dos bercianos" e se atenda ese interese.
NOS_15505
O sector da hostalaría que traballa co ocio nocturno, fechado desde mediados de agosto, demanda un trato xusto por parte da Xunta da Galiza. Rexeitan seren os culpábeis da actual situación de aumento dos gromos e alertan das consecuencias nos seus locais, dos que dependen 100.000 postos de traballo.
O fechamento dos locais de ocio nocturno imposto pola Xunta pode levar á desaparición de moitos destes estabelecementos, algúns deles cunha gran traxectoria. Após os meses de confinamento comezaron a traballar con medidas estritas e a mediados de agosto tiveron que fechar. "A situación é terríbel", asegura a Nós Diario Lucía Vázquez, presidenta da Asociación Galega de Salas de Concertos e da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago. Explica que nalgúns municipios conseguiuse negociar cos concellos para abrir como uso de cafetarías, "mais non é unha solución definitiva xa que moitos locais, polas súas características, non están deseñados para traballar de día". Para Vázquez "é unha inxustiza que se trate así un sector que non tivo situacións de gromos relacionados e nos que non houbo contaxios nos locais". A finais de agosto a asociación Hostalaría Compostela e a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago presentaron no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) un recurso contencioso-administrativo contra a Orde do 15 de agosto de 2020 pola que se modifican determinadas cuestións previstas no acordo do Consello da Xunta de 12 de xullo de 2020 sobre medidas de prevención e obrigaba a fechar os estabelecementos de ocio nocuturno. O fallo final do TSXG denegou ese recurso que agora podería trasladarse a un xuízo que, para Lois López, membro de Hostalaría Compostela, "podería resolverse igual nun ano, polo que sentimos unha indefensión total". López pensa que se está a empregar ao sector hostaleiro como "chivo expiatorio" da actual situación na que aumentan os contaxios cada día. "En Portugal teñen outras medidas diferentes e non está a acontecer o que pasa aquí", di a Nós Diario, "se fechan o locais de ocio regrado , o lecer seguirá en festas e xuntanzas sen control, como vemos cos gromos que teñen como inicio as festas familiares", engade. Desde este sector que move 100.000 empregos solicitouse unha reunión cos grupos representados no Parlamento galego e xa tiveron unha primeira xuntanza co BNG que demandou para os negocios de lecer nocturno "igualdade de trato" ao respecto do resto de estabelecementos de hostalaría. Fechados polo horario Dentro dos estabelecementos afectado por esta situación están tamén as salas de actuacións. Alberto Grandío, presidente da asociación Galega de Salas de Música ao Vivo (Clubtura), explica a Nós Diario que "aínda que non somos ocio nocturno estamos incluídos nel polo horario, por este motivo estamos fechados". Asegura que tentaron negociar coa Xunta para que se diferenciase "e non houbo maneira". Tampouco recibiron explicación máis alá da notificación de fechamento. "Non sabemos nada, nin cando poderemos voltar a abrir", asegura. Grandío é, ademais, o responsábel da asociación Estatal de Salas de Concertos polo que coñece a situación noutros lugares. "En Soria, por exemplo, un café como Ávalon, que é moi semellante ao meu, pode agora facer concertos", indica, "depende dos Gobernos, das alcaldías e non hai unanimidade", engade. Protesta en Vigo Este sector tamén se manifestou o pasado 9 de setembro no centro de Vigo. Responsábeis dun cento de estabelecementos protestaron con carteis da súa situación. "Os bares de copas perden mensualmente entre 5.000 e 25.000 euros" ou "Exiximos un plan de choque específico", foron algunhas das mensaxes e peticións que fixeron e que concretaron coa lectura dun manifesto por parte do portavoz da asociación Provincial de Estabelecementos Musicais e Espectáculos Regrados (APEMER), Carlos José Veleiro.
NOS_35736
As limitacións marcaraas a licenza de cada local. Mentres tanto, a hostalaría galega agarda a publicación do Diario Oficial da Galiza (DOG) para coñecer o alcance real do anuncio do Goberno galego.
A Xunta da Galiza eliminará ás 00.00 horas deste sábado as restricións sociosanitarias que rexen actualmente no sector hostaleiro. Así o vén de confirmar o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Deste modo, suprimiranse todas as restricións horarias, que até o de agora estaba condicionada polas medidas de prevención contra a Covid-19 adoptadas por cada local. A partir deste sábado, porén, o único límite marcarao a propia licenza de cada local en función das súas características e servizos prestados —bar, restaurante, cafetaría, pub, etc.—, polo que o país volverá á situación previa ao estoupido da pandemia a comezos de 2020. Estas medidas, segundo indicou Núñez Feixoo, afectan tamén o sector do lecer nocturno, que verá suprimida a limitación horaria. "Chegou o momento de eliminar prohibicións e centrarse nas recomendacións", defendeu o presidente da Xunta, que tamén lembrou que a presentación do certificado Covid, pola contra, seguirá a ser obrigatoria. O sector, en contra do certificado Covid Por outra banda, a Xunta non anunciou que retire outras restricións, como a petición do certificado Covid na entrada dos locais ou o mantemento da distancia interpersoal de 1,5 metros de distancia. O presidente da Federación Galega de Hostalaría, Cheché Real, manifestou esta quinta feira a súa oposición á continuidade do certificado Covid para acceder aos locais de hostalaría, cuxa prórroga até o 26 de febreiro —a súa vixencia remata este sábado— xa solicitou a Xunta perante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). "Estamos en desacordo, non hai motivos agora mesmo dada a situación. Por exemplo, Dinamarca e Suecia xa decretaron a fin da pandemia e noutros territorios estase a levantar a exixencia de pedir o pasaporte Covid nos estabelecementos de hostalaría, polo que solicitamos á Xunta que siga o mesmo camiño", apuntou Real. O da hostalaría, salientou, é "o único sector onde se exixe", mentres hai outros "como o transporte ou o comercio" onde o seu uso non é obrigatorio.
PRAZA_2368
O aproveitamento madeireiro afectou a unha superficie de 16 hectáreas no LIC "Bidueiral de Montederramo", espazo da Rede Natura 2000 xestionado pola Xunta, provocando ademais "graves danos" no sotobosque e nas pistas forestais.
A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de solicitarlle á Consellería de Medio Rural que abra unha investigación sobre a corta de máis de seis mil piñeiros silvestres no Bidueiral de Montederramo, espazo da Rede Natura 2000 situado neste concello ourensán e xestionado pola propia Xunta de Galicia. Un aproveitamento madeireiro que se realizou, segundo denuncia, con numerosas irregularidades, provocando ademais "graves danos" no sotobosque e nas pistas forestais. Na tala empregouse o método de corta de rexeneración mediante corta a feito con árbores pai, nunha superficie total de 16,76 hectáreas. A entidade pide que se "depuren as posibles responsabilidades nas que teñan incurrido o concesionario da corta e o personal da Consellería encargado da tramitación, aprobación e supervisión da corta", e que adopten "as medidas precisas para evitar que feitos semellantes se repitan nun futuro en calquera dos montes xestionados pola Consellería do Medio Rural". Segundo a SGHN, na corta producíronse numerosas e importantes irregularidades. En primeiro lugar, "incumpríronse as instrucións do plan de ordenamento do monte que establece que as cortas de rexeneración se realizarán seguindo a metodoloxía do aclareo sucesivo uniforme, que se desenvolven en tres fases, e nunca polo método do corta a feito". Tampouco se seguiu a obriga do picado dos restos da corta, en trozas de menos de 50 cm. Ademais, sinalan, deberíase ter solicitado unha autorización á Confederación Hidrolóxica do Miño-Sil, pois foi afectada a zona de policía de augas na parte oeste do cantón ao carón do regato Corgo das Aguzadeiras. A entidade engade que se produciron importantes danos nas pistas forestais "coa destrucción das gabias ao longo de varios quilómetros, de xeito que coa primeiras choivas produciranse arrastres de auga deteriorando a plataforma de rodadura". E tamén sobre a vexetación do sotobosque, "afectando a gran número de especies do estrato arbustivo (acivro, cancereixo, bidueiro, etc.) non contemplados no aproveitamento". O acivro, especie protexida, aparece "cortado e arrancado, en toda a superficie do lote de corta, afectando a centos de pés", salienta. Finalmente, denuncian que botaron restos de corta directamente polo noiro da pista cara ao regato "Corgo das Aguzadeiras". O pasado mes de marzo Amigos da Terra denunciou a realización de talas masivas na Ribeira Sacra, que poderían facer perigar a declaración como Patrimonio da Humanidade. O feito foi investigado polo Valedor do Pobo.
NOS_15167
O BNG organiza un acto de protesta en Lugo para exixir a moderniazación da liña á Coruña e a creación dunha conexión directa coa capital galega.
A chagada do AVE á Galiza marca unha realidade de dúas velocidades no que ao ferrocarril se refire. Dunha banda, están as cidades como Ourense, conectadas coa meseta a través da alta velocidade, e logo están as do Eixo Atlántico, que teñen un ferrocarril de boas prestacións para comunicarse entre elas, mais terán que esperar para desfrutar plenamente da alta velocidade. E á marxe de todas elas está Lugo. Esta situación diferencial foi a que levou o BNG a manifestarse este sábado na cidade da muralla para reclamar unha mellora do servizo ferroviario baixo o lema 'Lugo quere tren!'. Á concentración asistiron o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, e o portavoz nacionalista no Concello de Lugo, Rubén Arroxo. Durante o acto, Rego asegurou que seguirán a traballar no Congreso das Deputadas e noutras institucións para que "Lugo conte cun tren digno", e concretou medidas como a actualización da liña Lugo-A Coruña ou a creación dunha conexión directa Lugo-Santiago. O deputado do Bloque afirmou que Galicia "sofre unha discriminación histórica" en canto ás súas infraestruturas por parte dos Gobernos de PP e PSOE. Isto sucede a mesma semana na que o BNG presentou as súas emendas aos Orzamentos Xerais do Estado 2022, aprobados o pasado xoves, entre as que os nacionalistas pedían melloras das infraestruturas de transporte en Lugo e Ourense. Sen conexións de proximidade Entre outras cuestións, Rego criticou que a chegada do AVE a Galiza prodúzase 30 anos despois da data anunciada polo Goberno estatal, e insistiu en que "non existe servizo de proximidade en ningunha das áreas metropolitanas galegas". Pola súa banda, o portavoz do BNG no Concello de Lugo anunciou que a súa organización levará a cabo unha campaña "para poñer a Lugo no mapa dos servizos ferroviarios, acabando con anos de recortes e eliminación de servizos". No acto iniciouse unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar a modernización da liña Lugo-A Coruña e a creación dunha conexión con Santiago de Compostela. Arroxo tachou de "agravio a Lugo" que esta sexa a única cidade sen conexión directa coa capital galega.
PRAZA_8608
Cómpre o máximo rigor a respecto das Administracións para acadarmos a igualdade xurídica real, só posíbel se equiparamos os deberes de coñecemento de ambas as dúas linguas oficiais. Mais cara á sociedade é urxente recoñecer a conveniencia do plurilingüismo como modelo onde aplicar eficaces políticas restitutivas que recoñezan a existencia normal dos galegos castelanfalantes e incentiven a modificación parcial dos seus hábitos para achegalos ao uso da nosa lingua propia.
A axustada elección presidencial na Academia Galega (RAG) amosa a necesidade de desenvolver unha intelixente política de concordia que reformule, canda outras Institucións e axentes sociais, os alicerces da acción normalizadora na sociedade dos últimos trinta anos, limitada canto aos seus éxitos. É urxente recoñecer a conveniencia do plurilingüismo como modelo onde aplicar eficaces políticas restitutivas que recoñezan a existencia normal dos galegos castelanfalantes e incentiven a modificación parcial dos seus hábitos para achegalos ao uso da nosa lingua propia Cómpre o máximo rigor a respecto das Administracións para acadarmos a igualdade xurídica real, só posíbel se equiparamos os deberes de coñecemento de ambas as dúas linguas oficiais. Mais cara á sociedade é urxente recoñecer a conveniencia do plurilingüismo como modelo onde aplicar eficaces políticas restitutivas que recoñezan a existencia normal dos galegos castelanfalantes e incentiven a modificación parcial dos seus hábitos para achegalos ao uso da nosa lingua propia. Son os galeguistas e nacionalistas os primeiros interesados en tirar as hipotecas da lingua e rachar a equiparación galegofalante urbano= nacionalista Son os galeguistas e nacionalistas os primeiros interesados en tirar as hipotecas da lingua e rachar a equiparación galegofalante urbano= nacionalista. Porque só dende políticas flexíbeis e amábeis coa cidadanía (e firmes coas Administracións e axentes políticos) poderá esta sociedade ir illando as condutas contrarias aos valores do civismo democrático dos inimigos do galego, ao xeito de Galicia Bilingüe e demais freakies de quenda, hoxe desgrazadamente presentes en boa parte das equipas de goberno dos Concellos coruñés e compostelán. Cómpre, tamén, unha política normalizadora de menos despachos e máis rúa e rueiro para facer popular e cidadán a tarefa a prol da lingua. Na súa estrea presidencial, Alonso Montero cometeu o erro de criticar a normativa de consenso aprobada no 2003 Na súa estrea presidencial, Alonso Montero cometeu o erro de criticar a normativa de consenso aprobada no 2003. O galego precisa vivir, con normalidade, no contexto da lusofonía construíndo máis pontes cara á integración política e cultural da Galicia no seu seo. Seica Alonso Montero podería corrixir as súas non matinadas reflexións e comezar por nomear académicos correspondentes escollidos nos distintos países que partillan a lusofonía, inserindo deste xeito a RAG na súa urdime académica e institucional. Tamén habería que retirar o recurso de casación contra o Decreto do galego, porque o Supremo, amais de rexeitalo, fixará unha doutrina contraria á interpretación que o TSXG fai da Lei de Normalización Tamén habería que retirar o recurso de casación contra o Decreto do galego, porque o Supremo, amais de rexeitalo, fixará unha doutrina contraria á interpretación que o TSXG fai da Lei de Normalización. Compre salientar que non hai vulneración de Dereito estatal que alicerce nin este recurso nin o da Xunta, retirado por mor da presión cidadá.
NOS_3501
O obxectivo final dos tres Concellos é converter este "importante eixo industrial e residencial" nunha gran área loxística de Punta Langosteira.
Os alcaldes de Lararacha, Carballo e Arteixo (José Manuel López Varela, Evencio Ferrero e Carlos Calvelo, respectivamente), veñen de facer a proposta conxunta de estabelecer unha conexión ferroviaria e mellorar as comunicacións por estrada para "definir unha estratexia conxunta de mobilidade". Esta proposta decorreu no marco dunha reunión de traballo entre os tres rexedores para abordar a "oportunidade de desenvolvemento que supón o porto exterior". O Eixo Atlántico convence á Xunta de pedir fondos para o Corredor Atlántico O obxectivo final dos tres Concellos é converter este "importante eixo industrial e residencial" nunha gran área loxística de Punta Langosteira. Neste sentido, os alcaldes destacaron o volume total de poboación, perto de 75.000 habitantes, e a creación de emprego dos catro parques empresariais situados neste eixo e os desprazamentos que xa se rexistran a diario por motivos laborais. Plan de Mobilidade López Varela, Ferrero e Calvelo dispuxeron a redacción dun plan de mobilidade conxunto que defina as infraestruturas viarias e ferroviarias que é preciso crear ou renovar para "ofrecer solucións que integran a mobilidade residencial coa industrial e a loxística". Rego centrará as súas demandas de cara aos orzamentos xerais na implantación dun servizo de tren de proximidade "O importante é que aquí vense a vivir e traballar", destacou o alcalde de Arteixo, un aspecto "diferenciador" con respecto a outras áreas metropolitanas. Os tres rexedores asinarán un convenio de colaboración para a redacción do documento, coa finalidade de presentalo ás administracións competentes, nomeadamente Xunta da Galiza e Goberno español, e poder optar a fondos europeos para o seu financiamento.
NOS_53198
Somos, desde hai xa moito tempo, amigos. Bos amigos, diría eu. Ademais, cómplices de historias que hoxe non veñen a conto. Desde cando viñemos estudar á capital ou desde cando el vendía libros de Castrelos. Ou despois, cando vendía a domicilio e viña á miña escola do Picato, falabamos, soñabamos tanto!
Temos e tivemos moitos amigos comúns. Aínda hoxe, cando nos atopamos, sempre se nos debuxa na cara un sorriso de contento e botámonos en temas agradecidos e sorrisos. Se boto atrás a cabeza, aínda o vexo naquel coche, un "Lada", caldeirando as nosas rebeldías, ou lembro cando pousaba a cachimba entre os beizos para dar caladas de néboa polas rúas de Lugo adiante. Alumno espelido do "Manuel María e Ferrín: a grande xeración". Fabulador de historias para nenos e grandes, cómplice tamén do Paco Martín –ascendido á categoría de chairego, por méritos no tempo contraídos- e outros, o Xabier P. Docampo, o Agustín Fernández Paz, e toda unha memoria delas e deles. Garda municipal en Corcubión onde escribiu por exemplo "Patria do Mar", gardián do Auditorio de Lugo, …moito lle queda por facer, non lle fai noxos a nada. Pero sobre todo é un gran relator, un tradutor enorme e un poeta dos de auga limpa, que son os mellores. Por riba de todo iso, é un amigo, como dixen, deses imprescindibles na xeografía das nosas propias vidas, deses que serve para encontrarte a ti mesmo, cando te atopas perdido. Darío é home enteiro e cabal e eu sempre o vexo acompañado dos seus, da súa muller –aquela mociña de Bueu, a Amelia- e dos fi- llos, tan estimados. Para min –téñoos así nun lembro- sempre xuntos e aínda que non os vexa todo canto quero, aparecen os catro alá por terras de Romeán gozando da paz da terra e da amizade dos amigos da casa de Rego, onde eu xa ía, sendo pequeno, festexar. Pero Darío, volvendo ao conto, é capaz de arrecadar soños e debullar anceios. Capaz de roer o pó dos camiños e deixar que o seu corazón corra milleiros de soños que un día serán follas de luz, para todos; aclaratorias deste camiñar que, só semella, non chega a ningures. Aprendeu a pé de corredoiras, a pé de rúa, a pé de reco- ñecerse en Roás da Terra Chá, Matria común, que aínda nos contempla. Darío ademais de militante da esquerda nacionalista, tamén é un par de pernas longas que alancan a pé firme e aínda vén, canda nós, polos eidos inesgotables da esperanza. Iso fainos non esmorecer diante nada, cunha marcada teimosía, esperando, agardando esa Patria liberada que se nos resiste. Pero sabemos da súa certeza e desde ela nos asiste. Traballador incansable e é un home bo. Xunto a el, pertencemos a esa xeración eterna de indignados. A boas horas tivemos que esperar por outros que nos indignasen, e menos colectivamente. Nós xa o estabamos. Somos sabedores de canto a historia nos debe, de canto nos ocultaron, de tanta memoria latente que quedou pousada entre as foulas dos camiños e prendidas nas silveiras. Soubémonos indignados ao comprobar que o mundo é noso e non nolo deixan, que nolo teñen oculto e apartado. Un roubo. Que somos donos de nós e posuidores dun pasado cheo de silencios, que son tesouros. Que nos terán que pagar débedas de amor, de esforzo e medos. Por iso seguimos instalados na insubmisión, estado de ánimo nunca vitimista, que non resolvería nada, que fala e non fai e mesmo agride e pon violentos. Aprendeu a pé de corredoiras, a pé de rúa, a pé de recoñecerse en Roás da Terra Chá O Darío pasou camiños empedrados e bá- goas, aquelas que nos deixan aterecidos mirando atrás, procurando corrixir fóra de tempo os erros cometidos. Algunhas chorámolas xuntos, coiteladas da vida nas ausencias –o Manuel, o Fiz, …tantas e tantos outros- compañeiros do andar, moi sentidos tamén nas lembranzas, cada vez máis preguiceiras, compañeiros de tantas oportunidades perdidas. Podería falar do Darío colaborador da Voz co seu crucigrama galego, do escritor, do Darío narrador (O cervo na torre), do Darío tradutor (A Divina Comedia, Vida Nova, a antoloxía do Dolce Stil novo, Os tres mosqueteiros…), das tantas colaboracións en traballos colectivos, das nosas presenzas nos Festivais da Poesía do Condado. Podería dicir da súa obra poética, fundamental e perfecta, tan ben cadrada, tan ben acentuada e luída. Pero habédesme perdoar que diga nada máis que é un escritor bo, pero selecto. Ollo, non é escritor para miudanzas temáticas, nin escribe para dar contento a ninguén. Quen lea a Darío debe saber que non espera o favor compracido dunha masa enorme de xente que non sinta. Non, Darío busca transmitir o que leva dentro. Para iso, hai que ter algo que se chama xenerosidade, receptores nos sentimentos e, ademais, a capacidade de confiar ás verbas o ton sublime da verdade, que é a necesidade precisa e rigorosa que transmite máis que signos, lonxe de finezas estúpidas nas que os corifeos aplauden. Obtivo recoñecementos á súa obra, en calquera das versións que se lle queiran recoñecer, moreas de premios que non fixeron mudar a súa integridade e a responsable ascendencia labrega e rural, que sempre reivindica. Cantamos moitas letras del, e el desde a súa humildade, nin sequera quería recoñecelas como súas Eu podo, desde un punto de vista nada común, facer especial valoración e contarvos como Darío tece os poemas, non só os escribe. Teño perdidos, polos recantos da casa, folios da nosa lembranza, poemas e relatos feitos en tempos da mocidade, algúns deles que el mesmo non tiña, nin sabía deles. Ilusións compartidas e alusións a temas de moito tempo atrás, cancións en potencia, desexos da fe, aconteceres caídos nas miñas mans en momentos de ousada pretensión, quizais de soños. Cantamos moitas letras del, e el desde a súa humildade, nin sequera quería recoñecelas como súas. Había que se enfadar para que as asumise propias. Lembrades aquela que eu cantei, case chorando "dixéronme de neno cando era, …namáis que vento e fume dado ao vento. A "Canción para escribir mañá". Palabras de corte fino, gravadas polos meus beizos coa música de Antón Campelo. Tamén Darío foi culpable da canción de "O lobo" que falaba dunha noite de séculos e de tres feros galgos, …querían matar ao lobo! Ou "A balada dos sete mariñeiros", a María Balteira, señora da saia leda e do refaixo garzón. Ou senón aqueles preciosos versos de "Por amor", nos que aloumiña voz e corpos de desexo. Aínda non hai moito, tiven que obrigalo a asinar a folla da súa letra. Porque non sei se sabedes, pero cando alguén ousa poñer música a algún poema, fai unha invasión e, polo tanto, ten o deber de chegar á poesía en propiedade, ata poñela na pel e incorporala ao adeene. Ten a necesidade de baixar cada verba ao chan e remoer estruturas que moven cada verso, domealos en rumores, en principios melódicos que dean razón aos estremecidos sentimentos que, nese momento, nos habiten. Cando alguén musica versos debe chegar á mesma alma do poeta. Repetilos incansablemente, memorizar cadencias, subir e baixar vocábulos, interpretar coa voz ou cos silencios a intención que madurou os versos. Desde a palabra, volver tecer a utopía en sons, harmonías cheas de ecos que resoen e que digan, que describan os relembros. Apéganse así os sons ás palabras, e dan forma a un xeito de misterio, ese engado musical entrelazado en afectos, coa lealdade dunha sentencia suxestiva. Agora, que sabedes algo máis del, da tanta obra ben tecida, cómpre que todos os que isto ledes, teñades a ansia de volver sobre dela, sempre fresca. Se queredes, comezade por aquelas que eu máis teño en consideración, e son O Romanceiro da Terra Chá, Verbas a un irmao ou a Cabalgada na brétema. En narrativa, Galván en Saor, Morte de Rei ou Mitos e memorias; e xa, na Literatura infantil e xuvenil, as Aventuras de Breogán Folgueira ou as Viaxes do Príncipe Azul, por poñer nome a algún deles. Veredes que paga a pena non só lelos, senón deleitarse na sabia aprendizaxe dun sosego. Esta reportaxe apareceu no Sermos Galiza nº 171, publicado a 12 de novembro de 2015.
NOS_44156
Vinculadas á súa condición de muller trans, aconteceron durante a detención que a sindicalista sufriu en maio de 2009, após destapar a mafia de inmigración ligada á Operación Peregrino
Cando a sindicalista Laura Bugalho foi que "de verbalizar" os "malos tratos" recibidos por parte da policía española durante as 48 horas que ficou detida na comisaría de Compostela xa expirara o tempo legal para poder presentar a denuncia. Na mesma semana en que prestou declaración perante a xuíza en relación á acusación de falsidade de documentos públicos continuada, falamos con ela daquela estadía nas dependencias policiais e dun interrogatorio en que a palabra máis repetida foi Teixeiro, o nome do cárcere da Coruña. Todo o que nos contou poderás lelo no nº31 do noso semanario, desde esta sexta feira nos puntos de venda habituais. Eis aquí un video da concentración que arroupou á activista esta cuarta feira, durante as case tres horas que durou a súa comparecencia. Reclamaron a libre absolución e o arquivo da causa.
NOS_4050
Os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística a partir das sentencias condenatorias firmes dictadas polos tribunais galegos revelan un incremento das persoas condenadas e dos delitos cometido no territorio en 2021. Os sentenciados por delitos sexuais subiron 53%.
O número de persoas condenadas por delitos sexuais na Galiza en 2021 incrementouse nun 53% con respecto ao ano anterior. Segundo os datos finais publicados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE), referidos ao total de persoas adultas e menores condenadas o ano pasado con sentenza firme, na Galiza foron castigadas 124 persoas fronte as 81 de 2020. É a cifra máis alta de condenados do último lustro, cunha media de penados por debaixo do cento que só se alcanzou en 2017. Na categoría de delitos sexuais, a normativa vixente distingue entre agresión e acoso sexual, unha diferenciación que desaparecerá a partir do 7 de outubro coa entrada en vigor da Lei de garantía integral da liberdade sexual, coñecida como a lei do 'só si é si'. Ademais destes, a lei tipifica outras infraccións sexuais como a violación, o exihibicionismo e a provocación sexual, a prostitución, a explotación sexual e a corrupción de menores. Os actos que atentan contra a liberdade ou a intimidade sexual das persoas amosaron unha tendencia á alza en 2021 en todas as figuras delictivas, un incremento que segundo datos do Ministerio de Interior se estende á primeira metade de 2022. Nos primeiros seis meses do ano a Galiza rexistrou un total de 377 delitos sexuais, o que supón unha repunta de 16,4% en comparación co mesmo período de 2021. Son en todo caso, cifras relativas ao Balance semestral de Criminalidade de 2022, provisionais, que o Goberno relaciona coas "activas políticas de concienciación social que provocaron unha maior disposición das víctimas a denunciar, reducindo os niveis de infradenuncia que poden existir nestes tipos penais". Delitos sexuais Os datos que vén de publicar o INE son definitivos a partir das sentenzas condenatorias firmes dictadas por xulgados e tribunais. No conxunto do Estado, as estatísticas rexistraron en 2021 un total de 3.196 condenados adultos por delitos sexuais, un 34,6% máis que o ano anterior, e 439 menores, un 12,6% máis que en 2020. Os delitos sexuais repuntan un 16% no primeiro semestre Polo que se refire ao número de delitos cometidos polas persoas condenadas, a cifra total ascende a 4.569, dos cales 3.960 corresponden a adultos, 35,5% máis, e 609 a menores de idade, cun incremento de 27,7% a respecto do ano anterior. Destacan os 1.556 delitos de abuso sexual cometidos pola poboación maior de 18 anos condenada, así como as 491 agresións sexuais, das cales, 46 foron consideradas violación. Ademais, os tribunais penaron 738 de delitos de abuso e agresión sexual a menores de 16 anos, así como 592 casos de prostitución e corrupción de menores. A maioría das infraccións sexuais cometidas polos máis novos foron de abuso e agresión contra menores de 16 anos, 291, ás que se sumaron 176 de abuso sexual, 66 de prostitución e corrupción de menores e 55 agresións sexuais, das cales tres foron consideradas violacións. No caso da Galiza, o número de delitos de natureza sexual cometidos polas persoas condenadas nesta categoría en 2021 foi de 145, un 46,5 % máis que en 2020, cando se rexistraron 99 delitos contra a liberdade e a intimidade sexual. As estatísticas do INE recollen, ademais, o número de penas impostas no territorio galego relacionadas con delitos contra a liberdade e a intimidade sexual. Foron 478, 177 máis que en 2020, o que supón un incremento de 58,8%. Penados na Galiza Durante o ano 2021 foron inscritas no Rexistro Central de Penados 282.210 persoas adultas condenadas, segundo as sentenzas firmes ditadas e comunicadas pola Xustiza en todo o Estado. Na Galiza foron sentenciadas 13.549 persoas maiores de 18 anos, 2.512 máis que o ano anterior, o que supón un 22% máis, unha cifra que deixa unha taxa de pensados de 5,9 persoas por cada 1.000 habitantes maiores de idade. As chaves da Lei de Liberdade Sexual O número de delitos cometidos incrementouse con respecto a 2020 un 31,6% ao sentenciar os tribunais 5.000 delitos máis, en total, 20.500. Con todos, a taxa de infraccións cometidas sitúa a Galiza por baixo da media estatal. É o cuarto territorio pola cola con 8,9 delitos por 1.000 habitantes de máis de 18 anos, lonxe dos 18 de Ceuta e Mellilla ou os 12 das Illes Balears que encabezan a lista e a case dous puntos da media do Estado (10,5). Os furtos e as estafas xa supoñen máis da metade dos delitos que se cometen no país, que se incrementan nun 38%. Destacan tamén os delictos contra a seguridade viaria. En 2021 foron 5.888 fronte os 4.715 do ano anterior, o que apunta un incremento de 24,8%, que se mantén, advertiu a Comisión autonómica de Seguridade Viaria, nos primiros meses de 2022.
NOS_50156
Mobilizacións, mocións en concellos, entrega de cabazas ao conselleiro... a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGDEP) anunciou un amplo calendario de accións.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGDEP) anunciou que manterá as mobilizacións e protestas até acadar que se derrogue a LOMCE e as reválidas. O voceiro da plataforma, Anxo Louzao, anunciou que se vai continuar coa recollida de sinaturas contra a LOMCE e as reválidas e con charlas informativas nos centros educativos. Canda isto, engadiu, presentará mocións nos concellos e solicitará entrevistas cos grupos parlamentarios, ademais de accións concretas nas redes sociais. Esta quinta feira, día 13 de outubro, realizará un acto simbólico, coa entrega no rexistro de cabazas para a consellaría de Educación e o seu titular, polo seu "inmenso suspenso pola súa obstinación en aplicar as reválidas". Para o día 20 de outubro convocaranse concentracións de alumnado e profesorado nos centros de ensino, durante a hora do recreo, para amosar o seu rexeitamento á LOMCE coincidindo coa celebración dun referendo convocado por Erguer –que forma parte da PGDEP. Ademais pedirase aos centros que penduren en lugares visíbeis pancartas co lema "Nin reválidas nin LOMCE". Argumentos Louzao denunciou que a consellaría de Educación é unha administración "submisa" aos mandatos do Ministerio de Educación, toda vez que xa hai administracións educativas que anunciaron que non implantarán as reválidas. Considera un "desatino" pór en marcha unhas probas que van afectar ao alumnado de 4º da ESO e ao de 2º de Bacharelato, porque non saben aínda en que van consistir e porque, ademais, no caso de bacharelato, serán necesarias para acceder á universidade. Diante disto, asegurou que "a PGDEP reafírmase en que se teñen que paralizar estas probas, sobre todo cando xa houbo un amplo rexeitamento, con máis dun 80% de familias que non levaron os seus fillos a realizar estas probas tanto en terceiro como en sexto de primaria". Louzao alertou de que en 2018 as reválidas si terán valor académico e que será necesario superalas para obter os títulos. "Isto supón un prexuízo para o alumnado e atenta contra a igualdade de oportunidades porque os máis afectados serán os alumnos e alumnas das clases populares, que terán máis dificultades para acceder a niveis superiores no sistema educativo".
PRAZA_13340
A Cooperativa de Ensino Popular Avoaescola será realidade a finais de mes co obxectivo de crear un proxecto educativo "laico, pluralista, democrático e de calidade" que asegure a ensinanza en galego aos máis cativos
A rede privada de escolas infantís en galego está máis preto. As asembleas de Galiza co Galego, comisión promotora do proxecto, e da constitución da Cooperativa de Ensino Popular Avoaescola, instrumento para facer posible este ensino, terán lugar o vindeiro día 30 de xuño en Compostela. Será un chanzo máis nun desafío que naceu hai algúns anos e que pretende "a materialización dun proxecto educativo laico, pluralista, democrático, en valores e de calidade, en calquera punto onde a cidadanía o demande". O obxectivo final non é outro que conformar unha rede de ensino que garanta tamén unha educación vehicular en galego, algo que xa facilitaban as galescolas durante o bipartito pero que quedou imposibilitado co novo Executivo do PP, logo da súa substitución pola rede da Galiña Azul, que non asegura o ensino da lingua propia do país nas idades máis temperás. Preténdese unha rede de cooperativas de ensino "en galego, laico, pluralista, democrático, en valores e de calidade" O vindeiro 30 de xuño debaterase o proxecto económico e social para unha escola en galego inclusiva e a constitución desta Cooperativa de Ensino Popular, que é unha pedra máis nunha construción que naceu hai xa tempo co compromiso de apoio -tamén económico- de máis de 3.000 persoas a Galiza co Galego (GcG), unha asociación que conta xa desde hai tempo cun proxecto educativo marco elaborado en colaboración coa a AS-PG e Nova Escola Galega, ademais do apoio de sindicatos educativos ou da Unión das Cooperativas de Ensino. "O paso agora é acabar de darlle forma á ferramenta que fará posible que, naqueles lugares onde haxa a demanda de escola por parte das familias ou educadores se poida facer", explica Francisco López, presidente de GcG, que aclara que o obxectivo da Cooperativa Avoescola é "posibilitar" a creación de escolas para que logo "os seus impulsores poidan constituír a súa cooperativa independente" e que en rede con outras fortalezan e expandan o proxecto". As achegas económicas chegan dos socios numerarios, e á vez socios da cooperativa, que crean un fondo de escola que garantirá a viabilidade dos centros de ensino asociados. "A cooperativa será a facedora da escola e a creadora de dinámicas de traballo, así como da contratación de mestres e persoal educativo", engade. "O capital económico conseguirase na medida na que o capital humano responda", insiste López, que advirte que xa hai un fondo creado. A Cooperativa de Ensino Popular será a "impulsora" das escolas infantís para conformar unha rede de centros autónomos "As escolas que vai ter este proxecto dependen da iniciativa social, da iniciativa popular. O único que ten que ter a xente é decidirse e autoorganizarse", engade o presidente de GcG, que insiste en que o proxecto é "o impulsor" dunhas escolas que dependen tamén da implicación da xente que aposte por un ensino "en galego, laico, pluralista e democrático". Así, GcG xa está a favorecer cursos de formación entre os seus asociados para desenvolver as habilidades sociais e directivas, así como a posibilidade de postos de traballo na Cooperativa Avoaescola. Os interesados teñen tamén un enderezo electrónico de contacto ([email protected]), así como unha web onde resolver calquera dúbida.
NOS_17186
Galiza supera os 10.000 casos activos de coronavirus após situarse con 10.196 esta sexta feira, despois de confirmarse por PCR nas últimas 24 horas outros 685 contaxios.
Galiza sobrepasa os 10.000 casos activos despois do incremento no número de contaxios. Así se reflicte nos datos actualizados na mañá desta sexta na web da Consellaría de de Sanidade con cifras actualizadas até as 18 horas desta quinta. Dos 685 contaxios detectados por PCR, 154 proceden da área de Vigo, 153 da área da Coruña, 107 da de Lugo, 92 da de Pontevedra; 61 da de Santiago, 60 da de Ourense e 58 da de Ferrol. Se se teñen en conta as altas rexistradas con respecto á quinta feira (412 máis), o incremento de casos activos (301 máis) e as persoas falecidas (nove máis), os contaxios soben nuns 722. En canto aos casos activos, aumentan en todas as áreas sanitarias salvo nas de Ourense, onde baixan a 1.131 -21 menos que na quinta feira- e na de Santiago e Barbanza, que se manteñen en 1.338, como a xornada anterior. Pola contra, increméntanse os casos activos nas áreas de Vigo até os 2.475, o que supón 87 máis que esta quinta; a 1.831 na da Coruña e Cee -94 máis-; sitúanse en 1.194 na de Pontevedra e O Salnés -57 máis-; Lugo conta con 1.109 -60 máis- e Ferrol colócase con 1.118 -24 máis-. Até a data Galiza rexistrou 40.540 persoas contaxiadas por Covid-19 e 29.376 persoas curadas, o que supón 412 máis que na quinta. As PCR realizadas ascenden a 730.777, o que implica 7.865 máis que as contabilizadas até a xornada anterior. De manterse os novos contaxios por riba dos 700 e o actual ritmo de hospitalizacións, en 20 días as UCI estarían ao borde do colapso. Vítimas mortais En canto ás persoas falecidas con Covid-19, ascenden a 969 tras notificar a Consellaría de Sanidade nove vítimas mortais na tarde da quinta feira, tres delas en residencias. Esta mesma semana, na segunda, rexistrouse o maior número de mortes por coronavirus nesta segunda onda da pandemia e con cifras que se remontan a principios do mes de abril.
NOS_48507
Á compañía teatral Elefante Elegante segue diseccionando a institución familiar. Despois de Patapatum e de Dreaming Juliet, estrea agora Alma de tigre, un espectáculo que apunta á repetición de patróns autoritarios que se van herdando dunhas xeracións a outras, perpetuando condutas que hai que revisar.
Comezaron a súa andaina cando o teatro infantil pasou a chamarse teatro familiar e o seu traballo fixo honor á mudanza. A compañía Elefante Elegante é talvez a gran renovadora dese teatro que pode gustar ás crianzas e aos adultos sen distinción. Deixando a palabra nun segundo plano e baseando as súas montaxes no físico, na danza e na pantomima e pondo un coidado exquisito na plástica e no visual, crearon un estilo inconfundíbel que lles valeu o recoñecemento da profesión e do público. María Torres e Gonçalo Guerreiro están á cabeza dunha troupe que se mantén fiel a unha estética propia, a unha maneira de contar que non renuncia a ningunha franxa de idade como obxectivo. O día 8 estrean no Teatro Jofre de Ferrol Alma de tigre, un novo espectáculo que, como os dous anteriores, indaga nas interioridades da parella, da familia, da convivencia. Os soños funcionan así: 'soñei contigo pero non eras ti'. E no noso teatro queremos que os mecanismos sexan eses, que todo se distorsione un pouco para que o público se vexa obrigado a entrar na obra desde a participación A nova obra parte da historia de dúas irmás e un irmán que, logo de anos sen contacto, se reencontran na casa familiar após a morte da nai, unha figura que se revela fortemente autoritaria. Tres adultos que non lograron cortar o cordón umbilical cos seus pais loitan agora por se desfacer do seu pasado, cada quen á súa maneira, e sandar as súas feridas. A trama é un pretexto para desenvolver un espectáculo en que o onírico e as referencias ao cinema mudo desenvolven un argumento máis junguiano que freudiano, máis centrado na advertencia moral que na análise clínica. "O onírico funciona máis como unha forma de misterio", declara Gonçalo Guerreiro, director do espectáculo, en conversa con Nós Diario. "Para min sempre vai vinculado ao surrealismo, a obrigar á persoa espectadora a buscar referencias, a non darllo todo explicado. Os soños funcionan así: 'soñei contigo pero non eras ti'. E no noso teatro queremos que os mecanismos sexan eses, que todo se distorsione un pouco para que o público se vexa obrigado a entrar na obra desde a participación nese soño. Ao saír do teatro xa chegará o momento da análise e da interpretación". Guerreiro queda fóra do elenco por primeira vez na historia da compañía para centrarse no labor de dirección. "É a primeira vez que non actúo con Elefante Elegante. Nos últimos tempos estiven dirixindo en Portugal, con algunhas compañías de danza ou con Sarabela Teatro [O lapis do carpinteiro] e iso fixo que me reencontrase cun desexo que tiña desde o principio. Eu cheguei ao teatro despois de pasar polas artes plásticas e pola música, e o traballo de dirección permíteme operar como se fose un pintor, atendendo ás cores, ás formas, ás profundidades. Estiven estudando moito a obra de Caravaggio, tratei con moita atención o vestiario e a escenografía... Enfoquei o traballo máis desde a plástica que desde a narrativa, moito máis que noutros espectáculos anteriores". A música tamén tivo sempre unha grande importancia nas obras de Elefante Elegante e esta vez non podía ser menos. "O que lles pido aos actores é que sexan musicais, que entendan que a música non é en absoluto unha ornamentación. O desafío agora é lograr que cada movemento e cada expresión do elenco sexan completamente simbióticos cunha música que foi escollida co maior grado de esixencia". Eu teño fillos, algún xa adolescente, e vivín situacións nas que eu propio me sorprendín actuando segundo os mesmos patróns que levaba toda a vida criticando nos meus pais. Notei que eran condutas herdadas, actitudes que se prolongaban no tempo por efecto da imitación. Os patróns de conduta que sempre volven Alma de tigre volve ás relacións familiares despois de Dreaming Juliet, que trataba da rutina que se instala nas parellas despois do namoramento inicial, e de Patapatum, unha reflexión sobre a educación que lle dan á cativada os pais e nais do noso tempo. Por que esa insistencia en analizar e diseccionar a institución familiar? "Estamos intentando resolver os nosos problemas", brinca entre risas Guerreiro. "En realidade, trátase de observacións que eu fun facendo na miña propia familia. Eu teño fillos, algún xa adolescente, e vivín situacións nas que eu propio me sorprendín actuando segundo os mesmos patróns que levaba toda a vida criticando nos meus pais. Notei que eran condutas herdadas, actitudes que se prolongaban no tempo por efecto da imitación. E daquela, pensei que me tocaba a min cortar con todo iso para que, no futuro, cando os meus fillos sexan pais, non continúen con esa herdanza tóxica, non perpetúen eses comportamentos. A obra, xorde desa preocupación, aínda que sempre nun rexistro amábel que pon en primeiro plano o positivo destas situacións". A obra está pensada para maiores de doce anos, aínda que non se descarta a asistencia dun público máis novo. "Alma de tigre está realizada para xente cunha certa carga de vida, unha certa dose de experiencia e sufrimento. Mais non é imposíbel que unha crianza poida asistir e desfrutar do espectáculo plástico e musical. Mais a intención primeira foi falar sobre este tipo de relacións que se dan no seo da familia e sobre as que precisamos reflexionar".
PRAZA_2741
O proxecto presentado polo PP introduce unha excepción na actual obriga de cederlles ás administracións locais o 10% dos aproveitamentos urbanísticos. No caso de que o promotor sexa outra administración, entidade ou empresa pública, os concellos perderían este dereito.
A pasada semana o Goberno galego presentou no Parlamento o seu proxecto de reforma da Lei do Solo, aprobando en solitario a súa toma en consideración para o inicio do seu debate e atopando un rexeitamento frontal por parte de todas as forzas da oposición. Entre os numerosos elementos que provocaron as críticas a este proxecto de lei, hai un que podería implicar un grave prexuízo para os concellos. No artigo 18 da Lei do Solo actualmente en vigor determínase que os propietarios de solo urbano están obrigados a cederlles aos concellos o 10% dos aproveitamentos urbanísticos, especificándose que "o aproveitamento urbanístico dos propietarios do solo urbano será (...) o aproveitamento resultante de referir á súa superficie o 90% do aproveitamento tipo da área de reparto correspondente", sinalando apenas dúas excepcións, referidas a "terreos incluídos en polígonos para os que o plan impoña cargas especialmente onerosas relativas á rehabilitación integral ou á restauración de bens de interese cultural ou inmobles catalogados". Este artigo implicaría un gran prexuízo para as administracións locais cando se emprenda un proxecto urbanístico en terreos propiedade doutra administración ou empresa pública Na reforma proposta polos populares e que está agora mesmo en fase de debate a regra xeral non varía; mesmo se especifica o deber do propietario de solo urbano non consolidado de "ceder obrigatoria, gratuitamente e libre de cargas ao concello o solo correspondente ao 10% do aproveitamento tipo da área de reparto" (artigo 17-d). Porén, o artigo 18 introduce unha importante salvidade no referido á categoría de solo urbano non consolidado, determinando que "no caso de actuacións urbanísticas promovidas por administracións públicas ou outras entidades do sector público, cuxo obxecto principal sexa a construción de vivendas protexidas, vivendas de promoción pública, equipamentos públicos ou a creación de solo para facilitar a implantación de industrias e outras actividades económicas, o beneficiario da cesión do 10% será a administración ou a entidade actuante". Esta excepción refírese ás actuacións urbanísticas realizadas por administracións públicas distintas aos concellos, dende o Estado central á Xunta de Galicia, pero incluíndo tamén outras entidades públicas, como Portos ou Adif, por poñer dous exemplos. Ademais, as actividades sinaladas no artigo (vivenda, equipamentos públicos, actividades económicas...) abranguen practicamente todas as actuacións urbanísticas posibles. Se finalmente a nova Lei do Solo é aprobada con esta redacción, este artigo implicaría un gran prexuízo para as administracións locais nos casos nos que se emprenda un proxecto urbanístico en terreos propiedade doutra administración ou empresa pública. Por lei na actualidade o Concello ten dereito a recibir o 10% dese espazo. Coa nova Lei do Solo, "o beneficiario da cesión do 10% será a administración ou a entidade actuante" Un exemplo teriámolo na Coruña, no proxecto da Autoridade Portuaria para o desenvolvemento urbanístico dos terreos do porto, no que un total de 433 mil metros cadrados de terreo que na actualidade son dominio público portuario serían desafectados, para construír alí vivendas, hoteis, zonas comerciais e oficinas. Por lei, na actualidade, o Concello ten dereito a recibir o 10% dese espazo (ademais doutros, imprescindibles para a construción e mantemento de infraestruturas e servizos públicos). Coa nova Lei do Solo, "o beneficiario da cesión do 10% será a administración ou a entidade actuante". O proxecto de lei reitera esta excepción no seu artigo 26, cunha redacción case idéntica, no que subliña que "no caso de actuacións urbanísticas promovidas por administracións públicas (...) a totalidade do aproveitamento urbanístico será atribuído á administración actuante". De igual xeito, no artigo 38.6 determínase que "o plan xeral cualificará como solo dotacional os terreos que fosen destinados efectivamente a tales fins, os elementos funcionais das infraestruturas de transportes e as instalacións adscritas á defensa nacional". Porén, especifica que "malia o anterior, mediante convenio entre a administración titular do ben, a consellería competente en materia de Urbanismo e ordenación do territorio e o concello, poderán ser destinados polo plan xeral a outros usos distintos e atribuírselles ás persoas propietarias o 100% do aproveitamento tipo, de conformidade co establecido nesta lei, coa finalidade de facilitar o financiamento de infraestruturas públicas". Artigos que semellan feitos á medida da Autoridade Portuaria e do seu proxecto para financiar a débeda xerada polas obras do Porto Exterior da Coruña. O convenio de 2004 O convenio para o desenvolvemento urbanístico dos terreos do Porto da Coruña foi asinado en xullo do ano 2004 polo alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, o ministro de Fomento, Francisco Álvarez-Cascos, e o daquela conselleiro de Política Territorial da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, detallando o espazo dedicado a vivenda, oficinas, dotación e zonas comerciais e de ocio. O acordo foi modificado en outubro dese mesmo ano 2004, xa co PSOE no Goberno central e Magdalena Álvarez como ministra, incrementando ata un 50% a porcentaxe de vivenda protexida. No convenio de 2004 o Concello da Coruña comprometíase a cederlle á Autoridade Portuaria ese 10% se os ingresos que o Porto obtivese a partir dos terreos non acadasen unha terceira parte dos custes da rada exterior No texto inicial facíase referencia á obrigatoria cesión ao Concello da Coruña do "solo correspondente ao 10% do aproveitamento tipo non patrimonizable". Pero sinalaba que o Concello se comprometía a cederlles ese 10% "aos titulares dos terreos obxecto de ordenación" se fose "necesario" para "acadar os fins do presente convenio" e "á vista das especiais cargas de rehabilitación que supón a urbanización de todas as zonas desafectadas". O convenio sinala que "se entenderá que a devandita cesión é necesaria no caso de que, á vista do Plan Financeiro que se prepare para a construción do novo Porto Exterior, os recursos que se obteñan pola Autoridade Portuaria dos terreos a desafectar, non sexan suficientes para acadar un terzo do valor dos custes globais". O Concello da Coruña defende a necesidade de negociar un novo convenio En calquera caso, o Concello da Coruña, así coma o resto dos grupos municipais agás o PP, defende a necesidade de negociar un novo convenio, modificando completamente o contido do proxecto inicial, atendendo a un contexto de moita menor demanda e cunha expectativa de ingresos moi inferior.
NOS_29341
O Goberno español aboou 42.140.600 euros en sobresoldos aos efectivos da policía española e da Garda Civil despregados na operación 'Copérnico' hai trres anos en Catalunya con motivo do 1 de outubro.
O Goberno español viuse obrigado a revelar os sobresoldos dos efectivos da policía española e da Garda Civil despregados na operación 'Copérnico' coa que se pretendeu impedir o referendo do 1-O e baixo a que actuaron para garantir a aplicación do artigo 155 da Constitución española. Segundo revelou o dixital catalán VilaWeb, estes sobresoldos ascenderon a 42.140.600 euros, dos cales 21.140.600 foron para a policía española e 21.000.000 para a Garda Civil. Isto despréndese dun documento do Ministerio de Facenda español que ve a luz, tres anos despois do 1-O, en resposta a unha petición de Òmnium Cultural que, nun principio, foille negada. A previsión inicial, segundo o informe, sería de 66 millóns para a policía e de 68,5 para a benemérita. Porén, os fondos disparáronse ao 'Copérnico' durar máis tempo do previsto. O ex ministro de Interior español en 2017 co Goberno de Mariano Raxoi Juan Ignacio Zoido, aseverou nunha sesión do Senado en xaneiro de 2018, que a operación ascendía a 87,1 millóns de euros pero non especificou cantos cartos destinaron aos policías e axentes da Garda Civil. A eses 42 millóns de 'complemento de produtividade', habería que sumar as dietas para os axentes desprazados que ascenden a 85 euros por día e as retribucións vitalicias que corresponden ás medallas que lles entregaron máis adiante.
NOS_16939
O cantautor Xosé Constenla vén de publicar nas principais plataformas de distribución dixital o primeiro single do seu vindeiro disco, 'A luz entre a desorde'.
As principais plataformas de distribución dixital (itunes, Spotify, Youtube, Amazon, Movistar…) contan xa co tema 'A luz entre a desorde', o primeiro single de 'Virada por Avante', título do próximo disco do músico compostelán Xosé Constenla. Trátase dunha das composicións máis intimistas das que integran o álbum, aínda que neste caso mestúrase a parte máis sentimental cun enfoque tamén de loita social. En palabras de Constenla, é "o tema que mellor recolle o meu estado de ánimo cando compuxen os temas do disco; saír da penumbra dun tugurio agochado e descubrir que a vida continua e que está aí para enchela de contido". 'Virada por Avante' é o cuarto disco de Xosé Constenla e foi producido por Fredi Marugán e masterizado nos Staterooms Studios por Oscar Herrador. Ambos teñen traballado ao longo da súa traxectoria con artistas do panorama estatal e internacional (Ismael Serrano, Miguel Ríos, Joan Manuel Serrat, Enrique Iglesias, Compay Segundo, Antonio Vega ou Pedro Guerra, entre outros). De 'Virada por Avante', que se lanzará no primeiro trimestre do ano 2016, Fredi Marugán destaca o son a 'folk rock' americano que desprenden os 11 temas que o integran.
PRAZA_4075
Os horarios para os paseos rexen só para os concellos con máis de 5.000 habitantes; o límite do quilómetro non se aplica á práctica deportiva, que terá que ser individual
Na nova fase do confinamento imposto ao abeiro do estado de alarma para frear os contaxios do coronavirus poderase saír ao exterior a pasear ou para facer deporte unha vez ao día, pero con limitacións horarias, espaciais e de compaña. Dende o vindeiro sábado, 2 de maio, a poboación que viva en municipios de máis de 5.000 habitantes poderá dar paseos en solitario ou cunha persoa coa que conviva, nun radio dun quilómetro do seu lugar de residencia. Unha orde ministerial aclara este venres todos os termos dos paseos, sen máis límite de tempo que o das propias franxas horarias. O límite dun quilómetro non rexerá para quen saia facer deporte, pero "sen contacto con terceiros". [Con esta ferramenta podes calcular o radio dun quilómetro dende calquera lugar]Os horarios para os paseos rexen só para os concellos con máis de 5.000 habitantes; o límite do quilómetro non se aplica á práctica deportiva, que terá que ser individualO ministro de Sanidade, Salvador Illa, detallou este xoves en rolda de prensa -informa Marcos Pinheiro- como se vai artellar unha das medidas máis agardadas da nova fase de confinamento. En todos os municipios maiores de 5.000 habitantes poderase saír pasear ou facer deporte coas devanditas regras de 6 a 10 da mañá ou de 8 do serán a 11 da noite, para a poboación xeral. As persoas maiores de 70 anos ou dependentes terán reservado o horario de 10 a 12 da mañá ou de 7 a 8 da tarde. Mentres, o novo horario de paseo para a infancia menor de 14 anos pasa das 12 da mañá ás 7 da tarde e si mantén o límite de 60 minutos.O feito de que a nova regulamentación distinga entre municipios maiores e menores de 5.000 habitantes deixa un total de 200 concellos galegos sen límite horario por franxas para as novas actividades permitidas, sempre que sexan entre as 6 da mañá e as 11 da noite. Neste mapa interactivo podes consultar os límites que atinxen ou non a cada un dos municipios de Galicia.O ministro especificou ademais na súa comparecencia que a orde que regula estas saídas deixa marxe aos concellos para regular aspectos concretos como os lugares nos que realizar actividade física. Por exemplo, certos parques ou rúas. Illa considera "recomendable" que o fagan, para así evitar aglomeracións.O Ministerio de Sanidade avanza tamén que amplía o levantamento de restricións para ir á hortaNa xornada en que, tras a súa xuntanza co ministro de Agricultura, o conselleiro do Medio Rural, José González, anunciaba a reapertura dos mercados tradicionais e despois de que a Xunta erguese a prohibición para ir á horta, aínda que portando máis documentación da habitual, o ministro anunciou tamén que o Estado abre a man nestas actividades agrícolas. Unha das incógnitas que quedaba aberta en Galicia era a relativa ás hortas urbanas, que semella despexada co levantamento da prohibición estatal, tamén dende o día 2.Neste sentido, como estipulou a Xunta, os desprazamentos á horta deben ser, como norma xeral, dentro do mesmo Concello. Mentres que en Galicia ata agora o límite para ir a outro municipio lindeiro é de 5 quilómetros, o ministro de Sanidade sinala que "se teñen que realizar os mínimos desprazamentos posibles" nese caso e "sempre de acordo ás normas ditadas polas autoridades competentes".
NOS_46318
Pode que aínda sexa moi cedo, "mais por soñar non pasa", como sinalou unha seareira albivermella a Nós Diario logo do triunfo ante o Rayo. Tamén na Coruña -coa mancha do nivel de xogo- e Pontevedra semella que as cousas van ben, todo o contrario do que acontece en Vigo, onde o celta vive unha crise deportiva e institucional.
A última vez que o Clube Deportivo Lugo ocupou postos de play-off de ascenso a Primeira División foi o día 2 de febreiro de 2018, logo de empatar na casa co Albacete na xornada 25. Hoxe, case tres anos máis tarde, os albivermellos volven durmir nos postos de honra da categoría logo de gañar na casa ao poderoso Rayo Vallecano por 1-0. O mérito dun conxunto no que só permanecen Seoane e Cristian Herrera daquel Lugo que chegou a ser líder da tempada 2017/18 é maior tendo en conta que hai só cinco xornadas, pouco máis de tres semanas, ocupaba a vixésima e antepenúltima posición na táboa clasificatoria. Detrás da resurrección do equipo está o francotunecino Mehdi Nafti, que é consciente de que esta positiva xeira de resultados "ten que rematar" nalgún momento, pero que entre medias conseguirán "ser respectados" por parte dos rivais. Vigo, a cruz da moeda Se en Lugo todo vai sobre rodas desde a chegada do novo adestrador, en Vigo parecen instalados nun escenario oposto con Óscar García. O equipo volveu dar unha imaxe pésima na derrota ante a Real Sociedade (1-4) e a pantasma do descenso volve aparecerse logo dos inmensos apuros para conseguir a permanencia a pasada tempada. Detrás desta situación parece estar un conflito xa non disimulado entre o técnico catalán e parte do vestiario encabezado por Hugo Mallo, ao que retirou a capitanía en prol de Iago Aspas. A pesar de contar co apoio do presidente, Carlos Mouriño, as horas de Óscar García parecen contadas e xa ten enriba da mesa nomes como Marcelino e o inesquecíbel Toto Berizzo como posíbeis substitutos. Os esquipos galegos, a dúas velocidades na Segunda B Por outra banda, a terceira xornada na Segunda División B parece ir perfilando os obxectivos dos representantes do país. Así, se Dépor (0-1 a Unionistas nun partido moi malo dos branquiazuis) e Pontevedra (2-1 ao Celta B) se instalan na primeira posición empatados a puntos (7) cun Zamora ao que o Rácing de Ferrol foi quen de sacar un empate que o sitúa con 4 puntos e o punto de mira nos postos de ascenso, Compostela, Celta de Vigo B e Coruxo ocupan as tres últimas posicións da clasificación, e son xa os únicos equipos do seu grupo que aínda non coñecen o que é a vitoria.
NOS_43363
A Xunta deu orde de resolver todos eses expedientes en semana e media, cando o tempo estimado para cada un deles é de máis dun mes. As familias beneficiarias non van recibir os cartos, pois o peto da dependencia está baleiro á espera de que entren fondos en xaneiro. Porén, antes do 20 de outubro e por orde expresa do PP, terán a axuda concedida
A Xunta de Galiza vén de emitir unha orde para que executen até 1.500 expedientes de axudas a domicilio para outras tantas familias do rural galego, que deberán ter na súa caixa do correo as resolucións de concesión antes do 20 de outubro. Ao día seguinte hai eleccións na Galiza. Mais non é a premura e o repentino interese que o benestar das persoas depedentes que viven no rural o que maior sorpresa causou entre @s responsábeis do servizo de dependencia e autonomía persoal convocados a unha xuntanza este luns en San Caetano, xunto coas e cos coordinador@s de cada provincia. "Na orde do día só había un punto", explicou Deli Lamas, delegada de persoal da consellaría de Benestar da CIG en Ourense. E o punto era o aumento do crédito para horas do programa de axudas a domicilio. Centos de expedientes levan meses paralizados por falta de orzamento. "Até o de agora a política era dilatar no tempo as resolucións", apuntou Manuel Canitrot, secretario de organización da federación de Administración da central nacionalista tamén en Ourense. Acrecentou o sindicalista que estas axudas, unha vez concedidas, irán parar á morea deses expedientes adxudicados, mais sen cobrar. A "xogada electoralista" do PP: 1.500 familias do rural terán concedida unha axuda que non van cobrar Os pagamentos faríanse a tres meses vista, en xaneiro, e o goberno da Xunta dependerá dos resultados das eleccións do 21-O, polo que a orde de Feijóo foi interpretada por Lamas como "unha xogada electoralista" pola que se aprobarán 500 axudas na Coruña, 400 en Lugo, outras tantas en Pontevedra e 200 en Ourense. Para alén de porlle o caramelo nos beizos a máis de mil familias, o tempo medio de resolución dun expediente "con normalidade" está estimado nun mes e medio. Porén, o PP mandou aprobar 1.500 en semana e media. Para acelerar os ritmos, dispuxo que o persoal de avalización do nivel de autonomía persoal traballaría tamén en horario de tarde. "Foron moitos os compañeiros que se negaron a ir polas tardes, mais hai presións para que vaian. Aprovéitanse de que é un servizo onde o grao de interinidade e temporalidade é elevado, case do 90%, e da nova lei laboral que permite baixarlles o soldo a todos os interinos", argumentou Canitrot, quen pregunta polas ansias de "priorizar o rural despois de recortar as axudas aos concellos en porcentaxes elevadísimas, que chegan até o 75%". Após esta reflexion, o sindicalista cualificou a orde do PP como "unha campaña antiética" por usar as necesidades das persoas dependentes "con fins claramente electoralistas".
NOS_39087
O secretario xeral dos populares agarda que os congresos poidan celebrarse "con garantías" na primavera de 2021.
No seo do PPdeG non detectan "ningunha crise de lexitimidade na dirección" polo proceso de renovación que haberá que afrontar cando o actual líder do partido, Alberto Núñez Feixoo abandone o cargo. O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, destacou que o congreso vaise atrasar até primavera porque non son conscientes de ningunha dúbida interna. O obxectivo é que a vacinación masiva para o coronavirus permita que en primavera haxa un encontro presencial "con garantías" de todas e todos os militantes. Así o PPdeG fecha ano co congreso galego e os catro nos territorios provinciais á espera dunha melloría na situación epidemiolóxica. Aliás a renovación da dirección en clave de país quedan as da Coruña (Diego Calvo); Lugo (Elena Candia); Ourense (Manuel Baltar) e Pontevedra (Alfonso Rueda), que tamén van fóra do prazo habitual pero que están dentro do previsto pola formación política. Mesmo a nivel municipal hai algúns procesos selectivos pendentes. Tres das sete grandes cidades galegas, por exemplo, teñen xestoras á fronte das divisións locais. Na Coruña o líder é o novo presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado; en Vigo está a deputada e secretaria da Mesa do Parlamento, Corina Porro, e en Compostela o deputado Borja Verea. A vista na pandemia Tellado incidiu en que "agora o prioritario é que todos os esforzos se centren na loita contra a pandemia". Polo tanto, atendendo ás súas palabras, as mudanzas dentro do PP galego fican nun "segundo plano". Ademais, se hai que adiar a data de primavera non habería problema porque non hai ningún tipo de urxencia, porque as eleccións do 12 de xullo avalan". As citas serán cando a pandemia o permita.
NOS_49105
O líder da bancada confluente esforzouse por transmitir a idea de que si existe alternativa á hexemonía conservadora. Puxo como exemplo o acordo das tres forzas da oposición ao forzar a constitución dunha comisión de investigación sobre a sanidade galega. "Somos forzas diversas, pero nos puxemos de acordo", dixo.
O portavoz de En Marea foi moi duro na descualificación do Goberno Feixoo, até o punto de o responsabilizar das altas taxas de sucidio que rexista o país, o dobro da media estatal. "Non, non nos merececemos un goberno que provoca éxodos, implosión demográfica ou suicidios. Nen vosté nen ningúen ten dereito a amargarnos a vida", dixo. "Un novo trato cidadán baseado na xustiza social". Esa é a proposta alternativa que defendeu Villares fronte ao PP. Un new deal que tería tres chanzos: investimentos sociais en proporcións do PIB semellantes ás de 2009 —ano da primeira vitoria de Feixoo—, a "desmercantilización" dos servizos públicos e de bens básicos como a auga ou a vivenda e unha reforma estatutaria de carácter social —e que parta da consideración de Galiza como nación. O soporte político dese novo trato sería unha alternativa "diversa e plural", dixo en alusión directa a un acordo de En Marea con BNG e PSdeG. E nese sentido reivindicou a entente das forzas da oposición ao forzar a constitución dunha comisión de investigación sobre a sanidade, exemplo de que si existe un denominador común suficiente para as formacións progresistas se entenderen. "Somos forzas diversas, pero nos puxemos de acordo arredor da defensa da vida e da saúde da xente", dixo.
PRAZA_20651
Unha antoloxía de Chan da Pólvora aviva o debate sobre as "novas voces" da poesía galega. A selección de nomes desta antoloxía revela algunhas coincidencias coa presentada por outra obra semellante, No seu despregar, que tirou do prelo no 2016 a editora Apiario.
"Chegan os Neos". Baixo este suxestivo titular, o xornalista e escritor Antón Lopo propoñía, nunha reportaxe publicada cara finais do ano 2015 no suplemento Faro da Cultura do Faro de Vigo, unha escolma posible de voces dos "novos creadores poéticos" galegos. Non moito tempo despois, a revista Luzes recollía nas páxinas de República unha análise máis demorada do mesmo autor sobre este tema, acompañada dunha pequena antoloxía que xuntaba versos de Xabier Xil Xardón, Oriana Méndez, Berta Dávila, Gonzalo Hermo, Xesús Castro, Ismael Ramos, Lara Dopazo, Fran Cortegoso e Alicia Fernández. Aquel intento de identificar algunhas tendencias de fondo na maré da creación poética última deu lugar a diversos debates Aquel intento de identificar algunhas tendencias de fondo na maré da creación poética última deu lugar a diversos debates, mais serviu tamén como substrato do volume 13. Antoloxía da poesía galega próxima, coordinado pola profesora María Xesús Nogueira e publicado por Chan da Pólvora, o proxecto editorial ligado á libraría compostelá homónima do que Antón Lopo é cofundador. A selección de nomes desta antoloxía revela, por outra banda, algunhas coincidencias coa outra obra semellante, No seu despregar, que tirou do prelo no 2016 a editora Apiario. No limiar de No seu despregar, as creadoras de Apiario, Dores Tembrás e Antía Otero, dan conta da dificultade para consensuar unha definición do "novo" na literatura. "A que nos referimos con esta cualidade?", apuntan. "Trátase dunha condición temporal, cronolóxica? Son *s poetas *s nov*s ou os textos? Que proclama esa novidade? Existe? Podemos nomeala?", reflexionan. En 13. Antoloxía da poesía galega próxima, María Xesús Nogueira admite que "a xuventude poética foi un elemento mitificado na literatura" e subliña, ademais, as "tensións e polémicas" que, de xeito cíclico, desata a "novidade" ou, polo menos, as tentativas de visibilizala como potencial de contestación dos paradigmas que a precederon. "No caso da literatura galega, -engade Nogueira-, a cuestión das "novas voces poéticas" mesturouse co debate sobre o axeitado da periodización das últimas promocións poéticas en base a criterios xeracionais e biolóxicos" No caso da literatura galega, -engade Nogueira-, a cuestión das "novas voces poéticas" mesturouse co debate sobre o axeitado da periodización das últimas promocións poéticas en base a criterios xeracionais e biolóxicos. Deste xeito, propostas como "empregar o problemático termo xeración no sentido sociolóxico-cultural formulado por Karl Mannheim", -formulada polo profesor Arturo Casas-, ou identificar "a tensión entre unha tendencia apolínea a unha dionisíaca", -achegada pola crítica Iris Cochón-, non puideron vencer, segundo Nogueira, "unhas inercias cronolóxicas que tampouco semellaron atopar, aínda a estas alturas, ferramentas para cartografar a poesía que seguiu á dos noventa". A web da Real Academia Galega resume, en relación con isto, o contido dun relatorio impartido recentemente sobre unha posible "nova xeración de poetas" pola escritora Chus Pato, -referente imprescindible para moitos deles-, no que esta salientou os nomes de Silvia Penas, Oriana Méndez, Francisco Cortegoso, Alba Cid, Alicia Fernández, Gonzalo Hermo, Antón Blanco e Jesús Castro, malia advertir que "hai máis" herdeiras e herdeiros "dunha tradición poética moi poderosa". Así, e alén das virtuais controversias, No seu despregar optou por un criterio xeral de idade, escollendo poetas "nad*s entre 1985 e 1997 que por "diferentes motivos dialogan entre si, comparten referentes, lecturas, intereses e contexto", en confluencia con 13. Antoloxía da poesía galega próxima, -coeditada co selo madrileño Papeles Mínimos, o cal permitirá a súa distribución a nivel estatal- que considera tamén a data de nacemento, -autores e autoras que comezaron a publicar hai pouco máis dunha década-, de xeito que os máis "veteranos" naceron a comezos dos 80, cando "a denominada poesía dos oitenta estaba a dar as súas primeiras mostras", e os máis novos nos 90. Mais a antoloxía editada por Chan da Pólvora vai máis alá da cuestión xeracional, situando nas "mudanzas políticas producidas nos gonzos da década", nomeadamente coa aprobación do Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística, as transformacións no eido da educación que serviron de escenario á "emerxencia" das novas voces poéticas. O segundo criterio tido en conta por 13. Antoloxía da poesía galega próxima é o de que os e as poetas a escolmar tivesen polo menos un libro publicado, mentres que o terceiro foi a "calidade" da súa obra, sempre "diversa" nas súas "linguaxes" e "procedencias". Un texto do crítico Issac Lourido, publicado no 2008 en Galerna e despois rescatado en poesiagalega.org, mostra algunhas das dimensións que pode adquirir o debate, -moi vello-, sobre a "novidade" na creación poética galega partindo, coma 13, da maneira en que a chegada do "sistema democrático", xunto á consecución do Estatuto e a posta en marcha da Lei de normalización lingüística e a progresiva "consagración" do capitalismo, mudaron os marcos dunha poesía que dificilmente puido "conservar" as funcións "resistentes" que tivera durante a ditadura, abrindo certas "tensións" entre as distintas liñas da creación poética. Así, -explica este autor neste artigo, de hai xa máis de 10 anos-, ao mesmo tempo que o discurso da "normalización" da lingua e a cultura galegas no novo contexto político foi tornándose dominante, o grupo Rompente, algunhas achegas do entón xa veterano Uxío Novoneyra ou o colectivo Ronseltz representaron entón a veta máis "reivindicativa" e vangardista, fronte a iniciativas máis "apegadas" á vontade social e a outras de carácter máis "culturalista". Lourido remarca tamén que, por certa "inercia biográfica" adoitábase unir ao grupo dos poetas dos 80 a outros autores e autoras que, aínda que iniciaran a súa carreira nos 80, desenvolveron proxectos afastados desta última corrente "esteticista", abrindo paso á nova "xeración" poética dos 90, da que tanto se ten subliñado a mudanza producida pola escrita feita por mulleres, -con todas as críticas que xerou a tendencia a etiquetalas, precisamente, por razóns de xénero-. As antoloxías interviron, nas últimas décadas, en todos estes debates, aínda que, como suxire a propia Nogueira, tamén correu a tinta sobre a pertinencia de falar de "xeración" ou de "poetas" dos 80 e dos 90 e en base a que argumentos atribuírlles unha pretendida "renovación" da creación poética do país. Malia todo e, con estas herdanzas, chégase á actualidade, de xeito que No seu despregar, -que inclúe un pequeno limiar das editoras, sen afondar nos criterios da selección, pero non contén un estudo sobre os poetas, alén dunha pequena biografía sobre cada un deles- recolle poemas de Afonso Traficante, Afra Torrado, Alba Cid, Alicia Fernández, Antón Blanco, Celia Parra, Francisco Cortegoso, Gonzalo Hermo, Helena Salgueiro, Ismael Ramos, Jesús Castro, Lara Dopazo, María Vilas, Noelia Gómez, Olalla Tuñas, Paula Antía Rey Baliña, Rosalía Fernández Rial e Tamara Andrés. Pola súa banda, 13, -que é unha edición bilingüe galego-castelán que inclúe o estudo de Nogueira, ademais de pezas biográficas e imaxes- fai o propio con Alicia Fernández, Andrea Nunes Brións, Berta Dávila, Lara Dopazo Ruibal, Oriana Méndez, Celia Parra, Xabier Xil Xardón, Gonzalo Hermo, Samuel Solleiro, Ismael Ramos, Francisco Cortegoso, Jesús Castro Yáñez e Antón Blanco. "María Xesús Nogueira considera "estéril" a procura de trazos grupais, e "moito menos xeracionais", que cohesionen o colectivo de poetas representado en 13" María Xesús Nogueira considera "estéril" a procura de trazos grupais, e "moito menos xeracionais", que cohesionen o colectivo de poetas representado en 13. Máis que definir un novo "modelo" de poeta, -escribe-, trataríase de poñer de relevo algúns "trazos compartidos", como o feito de teren estudos universitarios, -sobre todo do ámbito filolóxico-, a precariedade laboral, a familiaridade coas tecnoloxías dixitais ou, ligada á anterior, a presenza en internet, relacionada tamén cunha menor importancia da autoedición que nos períodos anteriores. Ao respecto, Nogueira salienta tamén a emerxencia de proxectos de edición alternativos coma Corsárias, Barbantesa, Apiario ou Chan da Pólvora, ou a continuidade da relevancia dos premios literarios, así como de revistas coma Dorna, Grial ou Xistral e de publicacións como a Revista das Letras do extinto xornal Galicia Hoxe. Sen pretender ofrecer taxonomías completas de tendencias nin identificar escolas, Nogueira analiza, en liñas xerais, os "itinerarios" seguidos por estes poetas. Distingue un primeiro vieiro, o seguido polas "autoras que construíron un discurso intimista a partir da experiencia e da memoria como materia principal", no que inscribe a Berta Dávila ou Celia Parra, no ronsel de autoras anteriores coma María Lado ou María do Cebreiro. Do lado da exploración das identidades, con alicerces na vertente de xénero (con precedentes coma María Xosé Queizán, Ana Romaní e Antón Lopo) e na da memoria comunal (con Anxo Angueira, seguindo a Méndez Ferrín), coloca a Andrea Nunes Brións -pola banda da escrita feminista- ou a Xabier Xil Xardón, que entretece a memoria comunal coa constatación da agresión da paisaxe. A identidade, ligada ao sentimento de perda asociado ao territorio, cimenta tamén, segundo Nogueira, a obra de Jesús Castro. Un "particular exercicio de indagación da identidade" alicerzaría tamén, segundo esta autora, a obra de Samuel Solleiro, da que remarca Punk, un libro que cualifica de "deliberadamente contracanónico". Outras voces, -engade-, "sabedoras de que a poesía non é nin autobiográfica nin necesariamente referencial, crearon universos coherentes atravesados a miúdo por fíos argumentais e sorprendentes paisaxes que van do naïf ao collage". Nese sentido, sinala as "fórmulas e xogos verbais" e "exercicios de experimentación" de Alicia Fernández, a poética "non referencial" de Lara Dopazo ou, na mesma senda, os "universos ficcionais" de Ismael Ramos. Outra liña entroncaría, segundo Nogueira, con Chus Pato, Méndez Ferrín, Xabier Cordal ou Manuel Outeiriño. Sería un texto de "raíz política", mais non encadrable no que se chamou poesía "(social)realista". Sitúa aí a Oriana Méndez, a Gonzalo Hermo ou a Antón Blanco, antes de salientar a orixinalidade da poética de Francisco Cortegoso, desde a "densidade conceptual" e a "exquisitez léxica" do seu primeiro libro publicado, Memorial e danza, ata a forza das imaxes do segundo, Suicidas, editado por Chan da Pólvora, coma A oseira de Antón Blanco. "A etiqueta novos resulta simplificadora demais e necesariamente transitoria" As diferentes propostas tratan -conclúe Nogueira- un rico repertorio temático que abrangue desde os topoi universais, como o amor, o paso do tempo, a morte, até os conflitos do presente, con rexistros poéticos heteroxéneos que rexeitan o barroquismo e desconfían da propia linguaxe e da "confesionalidade" da poesía, -establecendo distancias e desenvolvendo unha dimensión ficcional-, buscando a "naturalidade, a expresión núa, o discurso magmático, o gusto conceptual", ou a hibridación con outras formas de expresión. Mais, -resume-, nestas actitudes é onde podería residir a "novidade" destes trece autores e autoras, ben coñecedores "do substrato poético que están a pisar e para os que a etiqueta novos resulta simplificadora demais e necesariamente transitoria". Polo menos, podería engadirse, ata que sexan reivindicados outros "novos", malia que tampouco é excepcional que os mesmos e as mesmas "novos" estean a ser así significados durante moitos anos, tendo xa traxectorias máis ou menos consolidadas.
PRAZA_11022
Para actuar racionalmente contra ese problema hai que mirar cara o medio rural no seu conxunto, actuando nos ámbitos do desenvolvemento económico, da ordenación territorial, fronte á desagrarización e o abandono e sobre a estrutura forestal.
Hai que mirar cara o medio rural no seu conxunto, actuando nos ámbitos do desenvolvemento económico, da ordenación territorial, fronte á desagrarización e o abandono e sobre a estrutura forestalPor mandato do parlamento galego, e a instancia de todos os grupos políticos da cámara conformouse o pasado mes de decembro o denominado Grupo de Expertos en Incendios Forestais (GEPIF), do que tiven o honor de formar parte. O seu cometido tiña por obxecto analizar a situación do dispositivo de defensa contra os incendios forestais e achegar as recomendacións que, a xuízo dos poñentes, servisen para mellorar a eficacia do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF). Os traballos prolongáronse durante sete meses finalizando coa elaboración de tres documentos, onde se responde ao requirimento do parlamento, presentados na Comisión de Agricultura o pasado 18 deste mes.O contido xeral dos documentos inciden sobre diversos aspectos do SPIF e da política contra incendios, pero destacan as recomendacións orientadas cara a prevención, a predición, o diálogo e a participación social como algúns dos piares básicos desa actuación política. Aínda que a encomenda do parlamento non se refería directamente á política forestal, tratada nunha comisión especial anterior, o GEPIF estendeuse sobre diversos aspectos relacionados co estado do monte galego e, eu mesmo, na miña intervención ante a Comisión de Agricultura deixei constancia de que a solución dos lumes forestais non só eran unha cuestión de mellora e modernización do SPIF, probablemente a menos importante. Para actuar racionalmente contra ese problema había que mirar cara o medio rural no seu conxunto, actuando nos ámbitos do desenvolvemento económico, da ordenación territorial, fronte á desagrarización e o abandono e sobre a estrutura forestal. Sinalamos a necesidade de aumentar a resiliencia do territorio a través da Silvicultura Preventiva, ademais de implicar á veciñanza e ao conxunto das institucións na prevención de forma activaSinalei, que o goberno galego debería asumir que hai un grave problema no monte galego, propiciado polo crecemento incontrolado e caótico das masas mono-específicas de eucalipto. Asumir esa realidade con pragmatismo, permitiría negociar de forma construtiva a reforma do Plan Forestal de Galicia se non queremos que esa especie acabe cono noso monte e derive finalmente nun produto sen interese económico por mor das pestes sanitarias que o acosan, ademais do proceso dexenerativo que padece producido pola súa expansión incontrolada a causa dos incendios. Daquela sería tarde.Polo demais, nos informes do GEPIF sinalamos a extrema vulnerabilidade do sur e leste de Galicia por mor do cambio climático e a maior carga incendiaria. De aí a necesidade de promover activamente os bosques en mosaico (combinando especies e fomentando a bio-diversidade), e promovendo as frondosas caducifolias autóctonas e as froiteiras, e outros cultivos, nas faixas de interface urbano-forestal (páxinas 5-7 do Documento de respostas), ademais de promover de forma pro-activa a multifuncionalidade do noso monte. Co obxecto de fixar poboación no rural, terían preferencia nas axudas públicas relacionadas coas súas explotacións agrariasSinalamos a necesidade de aumentar a resiliencia do territorio a través da Silvicultura Preventiva, ademais de implicar á veciñanza e ao conxunto das institucións na prevención de forma activa. Estas medidas constitúen outros eixos que desde o GEPIF se propoñen para que o monte galego sexa percibido como algo propio e vital polo conxunto da sociedade galega (páxina 14). O mesmo se pode dicir sobre a coordinación do dispositivo entre os seus distintos elementos e cos servizos de emerxencia, a súa profesionalidade e a selección única de todos os medios do SPIF pola Dirección Xeral de Defensa do Monte, incluídas as brigadas municipais. O GEPIF propón unha modificación profunda no método de selección destes medios municipais equiparándose, en canto a esixencias físicas e técnicas, co resto do servizo e incrementando a seis meses o período de contratación, primando esta tarefa coa dedicación agraria dos brigadistas. Co obxecto de fixar poboación no rural, terían preferencia nas axudas públicas relacionadas coas súas explotacións agrarias. Non obstante, o novo modelo deberá ser testado periodicamente e para iso, o novo dispositivo de brigadas municipais deberá avaliarse anualmente e ser revisado ao cabo de tres anos, introducindo as modificacións e cambios que se precisen, avaliando inclusive a súa continuidade. (páxinas 19-22)Agora deberá ser a Xunta quen demostre que está disposta a levar á práctica as recomendacións sinaladas, acollidas favorablemente por todos os grupos políticos do parlamento galegoOs documentos do GEPIF constitúen un esforzo por chegar a un consenso técnico nun tema fundamental para Galicia. Decátense que o Grupo está formado por poñentes que posúen diferentes enfoques, formación, experiencia e sensibilidades sobre a problemática forestal. Agora deberá ser a Xunta quen demostre que está disposta a levar á práctica as recomendacións sinaladas, acollidas favorablemente por todos os grupos políticos do parlamento galego. Non hai marxe razoábel para o seu incumprimento, constituiría unha flagrante contradición co manifestado polo grupo popular en sede parlamentaria. Para iso, a sociedade civil, os grupos sociais, os sindicatos e as organizacións políticas galegas deberán coñecer o conxunto dos documentos entregados ao parlamento e, no seu caso, esixir en todos os foros do país a súa posta en práctica; sen dilación e dende o primeiro momento, e na rúa se fose preciso.
NOS_10858
Actualmente cumpre condena na prisión Murcia II. Varios presos vascos iniciaron accións de solidariedade en diversos cárceres con Ruiz.
Patxi Ruiz fai 10 días en folga de fame e sede na prisión de Murcia II. O preso vasco iniciou esta folga en protesta polas ameazas de morte e represalias que afirma que se realizaron desde a dirección do centro penitenciario após as protestas na prisión pola situación que o coronavirus xera nos cárceres. Ruiz perdeu máis de 10 quilos de peso desde o inicio da folga e sinte dores profundas nos riles, indican desde o movemento Amnistia ta Askatasuna (ATA), que denuncia que "por terceiro día consecutivo", o médico non visitou o preso. Nestes días, e en diferentes puntos de Euskal Herria, están a decorrer concentracións e mobilizacións de solidariedade para con este preso de Iruña. Tamén folgas de fame en solidariedade como as que están a decorrer en Gasteiz, Ondarroa ou a marxe esquerda da ría de Bilbao. Diversos presos vascos iniciaron accións de apoio a Patxi Ruiz, segundo ATA. Así, presos como Mikel San Sebastián iniciaron unha folga de fame indefinida. Outros rexeitan as bandexas de comida que ofrece o cárcere ou realizan 'txapeos' (néganse a saír da cela). EH Bildu anunciou a través dun comunicado que a súa deputada Bel Pozueta "realizará xestións" para poder visitar "de maneira urxente" a Patxi Ruiz. Ao tempo denuncia e critica a "política de excepción" que o Goberno español "aplica aos presos e presas vascas". Patxi Ruiz cumpre actualmente 30 anos de prisión aos que foi condenado cando, como militante de ETA, participou nun atentado mortal contra un concelleiro de UPN en 1998.
NOS_22028
Acarreira de Sther F. Carrodeguas parece marcada para sempre pola pegada do teatro, unha perspectiva que volve estar presente nesta nova obra.
Malcriada aparenta ser un libro de versos acollido na peculiar colección de poesía de Positivas, pero son as voces que recolle e a forma de presentalas as que nos levan inmediatamente a outras chaves interpretativas. Malcriada / Sther F. Carrodeguas / Positivas / 2020 / 72 páxinas / 10 euros Porque, máis alá dos pequenos paratextos que nos falan de escenario, patio de butacas e protagonista, nunca perdemos de vista que o libro está formado por monólogos que nos abren o camiño ás súas historias vitais. É este carácter mestizo e esta potencia dramática que irmanda unha vez máis o xénero lírico cos escenarios o que converte esta proposta en algo interesante. Carrodeguas toma para a súa temática un eido tan complexo como relevante nestes últimos anos. A cuestión das empregadas do fogar e dos coidados como un oficio remunerado é algo máis que un aspecto de debate por parte do feminismo. Un dos grandes méritos da autora é empregar o eu poético, diferente en cada poema, para sacar á luz as súas facetas máis descarnadas. Malcriada, en certo sentido unha obra amadriñada pola Asociación Xiara de Empregadas do Fogar e alimentada tamén con algunhas das vivencias das mulleres que a forman, lévanos da man aos aspectos máis duros deste tipo de relación laboral. As humillacións ás que son sometidas estas mulleres por patróns e patroas, a explotación e a falta de recoñecemento social do seu traballo, os soldos baixos e a precariedade no final da súa vida, son o centro do discurso de Malcriada. Un discurso que sabe mergullarse no persoal para conmovernos e que saca, xunto á vivencia das frustracións e aldraxes, o papel do amor e do agarimo a contracorrente. Ese que as coidadoras a soldo acaban por sentir cara a crianzas e anciáns abandonadas nas súas mans polos seus familiares. A peza de Carrodeguas ocúpase dunha temática non tantas veces vista na poesía galega, e seguramente é esa orixinalidade, xunto co xa mencionado vector teatral o que converte o libro nunha peza recomendábel que, porén, ten nos seus aspectos formais algúns dos seus puntos fracos. Xunto a un texto pouco revisado editorialmente, no que non custa atopar castelanismos pouco xustificábeis, non podemos negar que Malcriada explota un tipo de poesía explícita e dura que pode achegarse ao panfletario e que emprega poucos recursos líricos alén dun ritmo repetitivo para construír o seu discurso. Unha encrucillada complexa na que, por esta vez, Carrodeguas conseguiu atopar unha saída.
NOS_12080
Conde pon condicións a Endesa e o Goberno español para facer viábel económicamente un proxecto co que a Xunta intenta evadir responsabilidades.
O conselleiro de Economía, Francisco Conde, defendía esta cuarta feira no Parlamento galego o seu proxecto para a central térmica das Pontes, baseado na queima de biocombustíbeis. Fíxoo con vehemencia, chegando a acusar o deputado do BNG que lle interpelou de "non ter nin a máis remota idea de política enerxética". Mais o titular de Economía, que fixo esta proposta á marxe do comité técnico, obviou que o seu plan non é viábel economicamente (a pesar de defender o contrario), xa que para iso precisa dunhas elevadas bonificacións no prezo da enerxía ─sen ter en conta o custo das emisións, cos prezos do CO2 disparados─ que o Goberno español non está en disposición de garantir; primeiro, porque non ten previsto realizar poxas para primas deste tipo e, en segundo lugar, porque se as fixese tería que ser en concorrencia competitiva con outros centros de produción. Para os sindicatos, a Xunta tense que sentar cos ministerios de Transición Ecolóxica e de Traballo para abordar a situación dos traballadores das Pontes ao máis alto nivel. Desde os sindicatos lembran que teñen solicitadas desde o día sete reunións con estas tres administracións sen obter até o de agora resposta. Para Alberte Amado (CIG) "o que non pode ser é que, despois de dous anos cun comité técnico traballado, a Xunta se descolgue o día antes da última reunión cunha proposta propia, con deberes para Endesa e o Ministerio e na que ela non asume ningunha responsabilidade". Na súa opinión, "parece máis unha estratexia política que un proxecto realizábel", sobre todo cando o Executivo xa lle negou a prima enerxética que solicitaban por entender que non é un proxecto renovábel. "Que se decidan dunha vez. O que non poden é estar xogando coa xente", denuncia Amado, que lembra que para dar resposta ás necesidades de queima de biocombustíbeis das que fala a Xunta, "bastaría con construír unha planta pequena de 50 megavatios (MW) que si ten bonificacións". Nicasio Pena (UXT) opina que "a Xunta féchase aí porque é a única saída que ten" e lembra que todas as solucións que propón están condicionadas aos fondos europeos. "Todo é papel, pero realmente efectivo non hai nada", apunta. Pena incide no feito de que o día 30 vence o acordo entre Endesa e os traballadores das auxiliares e que, mentres non feche a central, haberá "uns servizos mínimos" para cubrir o funcionamento do único grupo operativo na térmica das Pontes. Tamén lembra que a propia Endesa, propietaria da central, desbotou operar esa planta de biocombustíbeis que defende o conselleiro Conde. Mesmo chegou a ofrecerlle as chaves no caso de que houbese algún investidor interesado, como podería ser o caso do Grupo Tojeiro, segundo desliza Pena, que xa é socio da Xunta na planta de Reganosa. Na mesma liña, José Hurtado (CCOO) criticou o feito de que dous anos despois de anunciar Endesa o feche da central, a Xunta non teña ningún proxecto viábel sobre a mesa. "Todo o mundo manda a pelota dun lado a outro e ao final os prexudicados son os traballadores", lamenta. Por iso pide ás Administracións que senten a falar e busquen unha saída definitiva. Novas mobilizacións O día 27 hai convocada en Ferrol unha gran marcha para exixir un futuro para as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Nese acto estarán tamén presentes os traballadores e traballadoras das Pontes que, por outra banda, xa están elaborando un calendario de mobilizacións para as próximas semanas que se irán intensificando a medida que se achegue o 30 de xuño, data na que deixará de ter vixencia o acordo entre Endesa e as auxiliares. Segundo apuntan fontes sindicais a Nós Diario, a próxima segunda feira está prevista a montaxe de tendas de campaña ante o Concello das Pontes e non se descartan novas mobilizacións na zona para reclamar ás Administracións que asuman a súa responsabilidade e procuren unha saída ás ducias de persoas que poden quedar sen emprego.
NOS_34262
A boa nova é que os casos activos volven baixar e sitúanse en 17.289.
Galiza mantén os contaxios de Covid-19 por encima do milleiro por quinto día consecutivo -após iniciar esta semana por debaixo- e volven subir até os 1.019, mentres que os casos activos descenden a 17.289. Por contra, os pacientes hospitalizados ascenden a 316 -sete máis- e a taxa de positividade volve medrar e supera 13%, após descender a pasada xornada até 11,41%. Segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade, as persoas ingresadas pola Covid-19 en UCI ascenden a 55 -unha máis- e os hospitalizados noutras unidades aumentan até o 261 -seis máis-. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende en catro do sete –Lugo/A Mariña-Monforte de Lemos, Pontevedra-O Salnés, Ferrol e Vigo-, mentres sobe na Coruña-Cee, Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras e Santiago de Compostela e Barbanza. Menos casos activos Os casos activos volven baixar e sitúanse en 17.289, que representan 453 menos, ao haber máis altas (1.469) que contaxios (1.019), ao que se engaden tres falecementos. Por áreas sanitarias, os casos activos descenden en todas as áreas menos na da Coruña, onde soben en 45. Nas restantes, a de Ourense contabiliza 89 infeccións activas menos; a de Pontevedra, -145; a de Ferrol, -43; a de Santiago, -80; a de Lugo, -99; e a de Vigo, -42. Así, con máis infeccións activas sitúase a área da Coruña e Cee, con 4.571; seguida da Vigo, con 4.275; Pontevedra e O Salnés, con 2.186; Lugo, con 2.015; Santiago e Barbanza, con 1.919; Ourense, con 1.312; e Ferrol segue á cola con 1.011. Máis de 1.000 contaxios Os novos contaxios mantéñense por quinto día consecutivo por encima do milleiro en 1.019, que supoñen 12 máis que os 1.007 deste sábado, após arrincar a semana por baixo desa barreira por primeira vez desde o 20 de xullo con 939 e descender a 837 o martes. Así, os contaxiados de Covid-19 desde o inicio da pandemia ascenden a 165.176 na Galiza, deles 38.686 na área da Coruña e Cee; 34.097 na de Vigo; 24.468 na de Santiago e Barbanza; 20.170 na de Ourense; 20.032 na de Pontevedra e O Salnés; 17.156 na de Lugo; e 10.567 na de Ferrol. Falecidos e curados As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza aumentan a 2.492, após notificar as autoridades sanitarias este sábado outro tres falecidos, todos con patoloxías previas. En concreto, os tres falecementos dos que informou Sanidade producíronse no Hospital de Verín (un home de 95 anos e unha muller de 87). Tamén faleceu un home de 91 anos no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP). Pola súa banda, 145.424 pacientes curáronse de coronavirus na Galiza desde o inicio desta crise sanitaria, que constitúen 1.469 persoas máis que as contabilizadas até o día anterior.
NOS_4795
Orio gaña por primeira vez a bandeira na categoría feminina desta regata, que leva disputándose desde 2008 e na que traiñeiras galegas gañaron en 5 edicións. Para a categoría masculina, na que se impuxo Hondarribia, non logrou este ano clasificarse ningunha representación da Galiza.
Orio meteu a bordo este domingo a bandeira da regata da Kontxa e conquista así o seu primeiro título na categoría feminina desta cita da elite das traiñeiras. A representación galega, Náutico de Ribeira, finalizou de sétima entre as 8 embarcacións en loita por esta bandeira, un posto por baixo do que logrou na primeira xornada, o domingo pasado, cando as barbanzás remataran sextas. Na primeira quenda deste domingo, onde vogaba Ribeira, o ritmo imposto pola venceroa da mesma, Hondarribia, foi moi alto, competindo coa anfritrioa Donostiarra nunha loita entre as dúas traiñeiras gipuzcoanas na que nin as galegas nin Zumaia puideron meterse. A clasificación final mostrou o dominio de Orio, cun tempo de 21:28:48, ficando as segundas, Arraun, a case 29 segundos de diferenza. Hondarribia foi terceira. Hibaika, Donostiarra, San Juan, Náutico de Ribeira e Zumaia completaron a clasificación. A regata feminina da Kontxa leva disputánodse 11 anos, desde 2008. Galiza gañou en cinco ocasións esta bandeira, todas ellas coa traiñeira Rías Baixas e en catro das mesmas coa cabocrucense Laura Hermo como patroa. Na regata masculina da Kontxa, que leva celebrándose 140 anos, non houbo este ano representación galega. Había moito tempo que o noso país non lograba clasificar algunha traiñeira para esta cita. Cabo de Cruz, Tirán, Mecos, Meira... son algunhas das embarcacións que saben o que é competir na regata máis importante do calendario. Hondarribia gañou esta edición.
NOS_37548
O trastorno mental comeza a deixar de ser un tema tabú. A figura do "tolo" ou a "tola" xa non é, ou non tanto, só obxecto de compaixón condescendente ou mesmo escarnio paternalista, pois enfermidades psiquiátricas ou problemas psicolóxicos compréndense e acéptanse mellor. A literatura reflicte, dalgún xeito, este cambio social, mais mesmo nos enfoques mellor intencionados cóanse, ás veces, os tópicos. Os estereotipos que afloran nos discursos que romantizan ou dramatizan a doenza. Analizamos este tema con autores e autoras e voces da crítica.
"Non coñezo ningunha novela, galega ou non, na que algunha das súas personaxes non teña problemas psicolóxicos, sexan estes evidentes ou non", dicía o escritor Xavier Queipo nunha entrevista recente en Nós Diario sobre Corazón de manteiga, a súa última obra. "Os trastornos de comportamento son cada vez máis frecuentes na nosa sociedade, que é a que realmente está doente", reflexionaba nesa mesma conversa. Aínda que -matizaba- "habería que definir o que é trastorno mental". Mauro, o personaxe principal de Corazón de manteiga (Galaxia), é un paciente psiquiátrico que crea outros eus para sobrevivir nun mundo opresivo. O seu auto-illamento social é unha expresión do "malestar na cultura da simulación típica das sociedades autoritarias". Varios dos personaxes da escritora Teresa Moure -como a Sara de Uma mãe tão punk, unha muller que tenta dar unha lección aos fillos simulando unha síndrome de Dióxenes- poderían considerarse, tamén, persoas trastornadas ou, máis ben, marxinadas nunha sociedade que rexeita o pensamento contrahexemónico. "Com a publicação nos últimos meses de Sopas New Campbell surpreendeu-me que várias críticas indicaram a minha preocupação pelo tema da saúde mental. O que me interessa é questionar a normalidade social. É provável que hoje estejamos a patologizar em excesso qualquer conduta anómala, da infância hiperativa à reiterada ansiedade", explica ela mesma. En Sopas New Campbell (Cuarto de Inverno) -engade Moure- "Nádia julga trabalhar numa empresa de limpezas ocupada de exterminar pragas, um ofício interessante para quem tem de matar os elefantes que reiteradamente aparecem no seu armário e também os que aparecem nos armários de outras pessoas. É um jogo com a fantasia, uma fenda para me perguntar sobre o real", salienta. "Interessa-me muito" -sinala- "esse perfil, a pessoa inadaptada, que se refugia no seu interior e deixa à solta os seus fantasmas até estes cobrarem na sua existência o mesmo peso que outras deixam para as convenções, para acatar as leis. Penso que em quase todas as minhas obras está presente esse efeito". "Nunca me propuxen" -aclara Berta Dávila sobre Carrusel- "escribir unha novela sobre a doenza mental para despois procurar unha perspectiva axeitada ou non axeitada de facelo. A publicación de Corazón de manteiga de Xavier Queipo cadrou máis ou menos no tempo coa doutras obras de narrativa que tratan o tema do transtorno mental. É o caso de Carrusel (Galaxia), de Berta Dávila, a historia dunha escritora en crise creativa que reconstrúe o seu pasado, marcado pola doenza mental que padece, ou de Os incurábeis (Xerais) de Antonio Tizón, novela negra que, como as súas obras anteriores, Un home estraño (Xerais) e A antesala luminosa (Xerais), achégase á enfermidade mental. "Nunca me propuxen" -aclara Berta Dávila sobre Carrusel- "escribir unha novela sobre a doenza mental para despois procurar unha perspectiva axeitada ou non axeitada de facelo. En Carrusel creo que hai un conflito identitario que a protagonista trata de resolver e que abrangue diferentes dimensións e contextos da súa vida. O transtorno mental é transversal a todos eles e é o tema do libro, pero eu non o sabía antes de escribilo. O que si é certo é que quería ofrecer un relato en primeira persoa que non fose unha mirada desde o estrañamento a un outro ou outra atávica". No caso de Antonio Tizón si existiu, porén, unha vontade consciente de escribir sobre a doenza mental. "Levo xa moito tempo" -lembra- embarcado nun proxecto consistente "nunha serie de cinco novelas, independentes pero complementarias, que pretenden tratar, desde distintas perspectivas, a temática do trastorno mental", nas que se propón a si mesmo e ao lectorado unha serie de cuestións arredor da doenza mental, como o choque entre a concepción romántica da loucura e a realidade ou a confusión entre loucura e maldade, por exemplo, co efecto estigmatizador do trastorno mental que isto supón. Sobre a presenza do tema na narrativa galega, a profesora e crítica Dolores Vilavedra apunta que o interese autoral non foi, seguramente, aumentando de modo tan paulatino, senón que "hai unha aposta consciente por abordalo como un asunto central, non colateral. Non é casualidade un número tan elevado de títulos en tan poucos anos. Coido que isto ten que ver cunha maior sensibilidade social cara a ese ámbito…". Dolores Vilavedra lembra que, en realidade, o trastorno mental está connosco na literatura "xa desde Curros e Rosalía" Unha historia moi longa Mais a propia Vilavedra lembra que, en realidade, o trastorno mental está connosco na literatura "xa desde Curros e Rosalía" ou, máis recentemente, "con Margarita Ledo e a súa Porta blindada; ou Úrsula Heinze, e non quero deixar de citar toda esa mocidade que convive decote coa depresión nas vidas Post it de Iolanda Zúñiga, por exemplo. Pero interésame sobre todo o Nano de varias novelas de Suso de Toro: Nano ten algún problema? Cal? É por iso menos feliz? De verdade é tan 'diferente' a súa maneira de enfrontar a vida? Nano faille unha emenda á totalidade á orde convencional das cousas pero faino case sen inmutarse, sen espaventos. Paréceme que ese tipo de abordaxes son as que interesan, aquelas nas que as etiquetas non nos valen". O tema foi analizado, de feito, desde unha perspectiva histórica e feminista, pola investigadora Ana Garrido no seu ensaio Xohana Torres. Da viúva de vivo á muller navegante, no que menciona A tola do monte de Castelao ou a identificación do eu poético de Rosalía de Castro coa "tola" ou a "estranxeira". A "loucura" é nos textos de Castelao, Dieste ou Seoane, explica, un "refuxio" e un "berro" contra unha sociedade que marxinou unha muller que se rebelou por ser condenada á soidade e ao ostracismo. A "tolemia" é, así, produto da violencia provocada pola dependencia económica do home, que converte as viúvas de vivo en mulleres desamparadas. A diferenza das "tolas do monte" de Xohana Torres con estas personaxes creadas por homes é, segundo Garrido, que elas contan a súa propia historia e, aínda sendo socialmente marxinadas por "tolas" por non seren submisas, non precisan da "tolemia" como enfermidade para liberárense das imposicións sociais, cousa que, poderiamos engadir, ocorre tamén coas personaxes de Teresa Moure. O crítico Xosé Manuel Eyré subliña tamén varios títulos que tratan o tema do trastorno mental. Por sinal, "a típica personaxe do tolo de pobo / tolo de vila vén sendo bastante frecuente", como o Tiroliro de Antón Riveiro Coello en A ferida do vento e, dun xeito máis dramático, o Nin Berlín de Xosé M. Gayoso, con "atípicas personalidades" que "permiten introducir puntos de vista diferentes do racional á hora de dar conta dun mundo por excelencia caótico", sinala. "Tamén me gustaría ver até que punto as enfermidades mentais están detrás de Xente de mala norte" de Alfonso Álvarez Cáccamo, di. Romantizar a enfermidade, ou dramatizala en exceso, contribuíndo a xerar estereotipos, é "o gran problema" ao tratar este tema, asegura Rexina Vega. A enfermidade non se escolle A escritora Rexina Vega tratou tamén o tema en Dark Butterfly, que ela mesmo define como "unha elexía" escrita "xusto ao morrer a miña única irmá, vítima do desleixo médico durante un internamento por unha crise na súa enfermidade. Convivín coa esquizofrenia durante moitos anos como acompañante" e "quixen que desa vida, dese percorrido doloroso quedase constancia. Quixen presentar unha voz consciente, fuxir do estereotipo, do golpe de efecto espectacular". Pois, subliña, "quen padece unha enfermidade mental sitúase á marxe da doxa, e faino non como unha pose, non como un xogo de poder nin como un desafío, faino porque non pode facer outra cousa". Por iso, asegura, romantizar a enfermidade, ou dramatizala en exceso, contribuíndo a xerar estereotipos, é "o gran problema" ao tratar este tema. En confluencia con Vega, Berta Dávila apunta que "a doenza mental é unha realidade que ninguén escolle". Por outra banda, subliña, "ter un trastorno mental non significa ser unha enferma mental, como se iso fose a cerna identitaria fundamental de alguén ou unha maneira uniforme de estar no mundo". Mais, engade Dávila, "o que romantiza ou dramatiza a realidade do trastorno mental é o tratamento que se faga dos temas que teñen que ver con isto, como ocorre con calquera outro tema. Podemos atopar relatos que romantizan as violencias machistas cando se presentan como unha consecuencia inevitábel dunha certa maneira de entender o amor. Se cadra é posíbel pensar que a literatura non ten por que render contas sobre isto. Agora ben, é unha consecuencia inevitábel da literatura construír imaxinarios sobre os temas, confrontalos ou participar dos xa construídos. Non cabe a opción de non participar desta cuestión, de non escoller". O crítico Mario Regueira achega tamén unha visión concordante coa de Dávila. Na perspectiva literaria, opina, "segue habendo moito descoñecemento da materia", pois "confúndense os trastornos psiquiátricos cos problemas psicolóxicos, por exemplo". Mesmo "hai tendencias que veñen do ámbito académico" -apunta- "onde se segue romantizando a enfermidade mental, con propostas de análise que a vinculan, de xeito naif, cunha capacidade especial para a creación artística. Analizouse hai pouco nesa chave a obra de María Mariño, por exemplo". Na mesma senda, Berta Dávila di que "a literatura que alguén escribe non pode ser un síntoma de nada". Este enfoque contribúe, ademais, "a unha certa idea de romantización da doenza e ten, ao meu ver, unha lectura de xénero controvertida", xa que "cando se acode a este tipo de argumento para analizar a escritura das mulleres fálase de inestabilidade, de histerismo, de volubilidade, de poetas choronas ou suicidas, como no caso de Rosalía ou Sylvia Plath. Cando este filtro atravesa a escritura dos homes, fálase de xenios inescrutábeis, complexos de máis para este mundo, misteriosos, malditos, como ocorre con Panero ou con Bukowski". Mario Regueira apunta que "vimos dun contexto onde a enfermidade mental estivo moi vinculada coa represión social feita polo franquismo", mais "non creo que a cultura galega, en xeral, fose consciente ou estivese á altura desa relación nin que soubese denunciala A orixe social e política Sobre a orixe social e política da enfermidade mental, Regueira apunta que "vimos dun contexto onde a enfermidade mental estivo moi vinculada coa represión social feita polo franquismo", mais "non creo que a cultura galega, en xeral, fose consciente ou estivese á altura desa relación nin que soubese denunciala, e moito menos a literatura, que na maioría dos casos simplemente reproduciu tópicos", e cita aquí figuras como as Marías, ou o papel de Carlos Casares recollendo historias de tolos "simpáticos", ou o Tiroliro de Riveiro Coello. Mais nas últimas décadas, engade Regueira, a investigación científica tamén desmontou os excesos da interpretación do trastorno mental como froito da presión sociopolítica. Así, a figura do doente como símbolo do diferente e da inadaptación social "ten unha parte de verdade, pero tamén é un vello tópico da posmodernidade que segue ligado á inmensa maioría das interpretacións literarias sobre a materia". O problema, di, "é que á vella romantización da persoa con enfermidade mental como en contacto privilexiado coa verdade sucedeuse unha outra na que a persoa enferma pasa a levar sobre os ombros toda a carga da disidencia social da súa contorna. Na propia novela de Queipo dáse unha visión completamente idealista desta cuestión". Vilavedra reflexiona que "o interesante da abordaxe literaria do tema non é tanto que normalice o trastorno mental ou que reivindique a alteridade, senón a capacidade que esas novelas poidan ter para amosar as tensións nas que se constrúe o propio concepto social de trastorno mental, como se vai tecendo tal unha arañeira na que vivimos atrapadas sen vela". A tamén crítica Eva Moreda apunta, pola súa banda que, máis que a unha vontade de crear un discurso determinado sobre o tema, "na maioría dos casos prevaleceu o intentar crear unha obra con valores puramente literarios, aínda que despois, na realidade, como pasa sempre, algunhas destas obras o conseguiran en maior medida que outras. Por outra parte, si que é obvio que durante moitos anos houbo moitos tabús na sociedade sobre o trastorno mental, e pode ser que, a medida que estes tabús van sendo gradualmente cuestionados, o panorama sexa máis propicio para que as obras que traten o tema se escriban, se publiquen e nalgúns casos se premien". Por outra banda, as obras literarias tampouco responden, lembra, á vontade de facer un unha enciclopedia médica. En relación con iso, sobre os estereotipos e a presentación do trastorno como rebelión contra a sociedade comenta que "é indubidábel a estas alturas que a definición do trastorno mental ten unha forte compoñente social e non simplemente médica. Pero penso que, en xeral, os autores e autoras crean un discurso máis complexo que iso", afirma. No caso da personaxe de Queipo, poderiamos dicir, a doenza non é tampouco nada escollido e o seu sufrimento tórnase máis visíbel, sobre todo, na última parte do libro. "Eu não pretendo" -indica, por último, Moure- "minimizar o sofrimento; nem sequer tratar o tema do trastorno com pretensão de abordá-lo, entendê-lo ou tratá-lo. Isso ficaria para um ensaio, para uma aproximação científica ou, pelo menos, jornalística sobre o tema. Simplesmente gosto de situar-me perante a hipótese de que habitualmente descartamos os comportamentos pouco típicos como indicativos de doença". Desde unha perspectiva non tan afastada da de Moure, Vilavedra reflexiona, pola súa banda, que "o interesante da abordaxe literaria do tema non é tanto que normalice o trastorno mental ou que reivindique a alteridade, senón a capacidade que esas novelas poidan ter para amosar as tensións nas que se constrúe o propio concepto social de trastorno mental, como se vai tecendo tal unha arañeira na que vivimos atrapadas sen vela". Doenzas e títulos O crítico Xosé Manuel Eyré destaca algunhas obras como o Males de cabeza de Fran Alonso, polo seu "catálogo de afeccións mentais que a vida moderna provoca na xente" ou, nun sentido semellante, a Amálgama de desquiciados de Xosé L. Martínez Pereiro ou Os fillos do río, de Antón Risco. A esquizofrenia, en concreto, pode atoparse, indica, en Como levar un morto de Xesús Rábade Paredes, en Todo OK, de Diego Ameixeiras. A anorexia, en Salitre, de Jaureguízar, e a bipolaridade, en Dragal, de Elega Gallego, en Tristemil, de Alberto Fortes ou en Morning Star, de Xosé Miranda. As alucinacións, en O globo de Shakespeare de Jaureguízar, Shakespeare destilado de Xesús Constela, Riofero de Xelís de Toro, Gran tiburón branco de Samuel Solleiro ou O soño da febre de Miguel Anxo Murado. Unha vella tradición En confluencia con Dolores Vilavedra, desde a plataforma de crítica literaria feminista A Sega, Marga do Val recorda que "está todo inventado… Pode ser que Rosalía De Castro falase de El primer Loco e da primeira "loca soñando". Otero Pedrayo creou tamén un certo tipo de 'tolo', Adrián Soutelo, en Os camiños da vida". E na literatura máis recente viñeron moitos máis títulos, como, cita, Así nacen as baleas e A lúa da colleita, de Anxos Sumai; Ten o seu punto a fresca rosa, de María Xosé Queizán; Futuro imperfecto, de Xulia Alonso; O club da calceta, de María Reimóndez; Besta do teu sangue de Emma Pedreira ou A Ferida do Vento, de Antón Riveiro Coello.
PRAZA_20338
Nos últimos vinte anos rexistráronse as tres primaveras coas temperaturas medias máis altas da historia: en 1997, 2011 e neste 2017, cunha estación "moi cálida e seca" que incide nas consecuencias negativas do quecemento global
Unha primavera moi cálida e moi seca, máis do habitual. Os efectos do cambio climático levan aquí bastante tempo, pero acentúanse co paso dos anos. As estacións adiántanse na súa chegada, o verán e o inverno predominan e as chuvias son cada vez máis concentradas en menos días. O balance que a delegación galega da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) vén de facer da primavera pasada no país confirma todas as advertencias e todos os perigos, incluíndo récords que ameazan con superarse a cada exercicio: o maio máis cálido e o abril menos chuvioso desde que se coñecen rexistros foron os deste 2017. O maio máis cálido e o abril menos chuvioso desde que se coñecen rexistros foron os deste presente ano A Aemet lembrou este mércores que o mes de maio pasado foi "extremadamente cálido" e que a súa temperatura media foi, xunto coa de 1989, a máis alta dos meses de maio da serie histórica, desde 1951. As anomalías positivas por riba de 2º déronse en case toda Galicia e foi o período do día 21 ao 24 o máis extremo, superándose os 30º de forma consecutiva en estacións do río Miño en Ourense. Naquel mércores 24 a barreira dos 30º superouse en case todo o país, alcanzándose os 37,6º en Ourense, os 37,4º en Ribadavia ou os 34,6º en localidades costeiras como Vilagarcía. Temperaturas propias de agosto pero tres meses antes. O feito de que marzo fose tamén un mes cálido e cos termómetros por riba do habitual e que este abril fose o cuarto con maior temperatura media da serie histórica fixeron que a primavera de 2017 resultase moi calorosa no conxunto de Galicia. A súa temperatura media ocupa a terceira posición da serie e as cifras só foron superadas en 1997 e 2011. Tres marcas en vinte anos. Nos últimos vinte anos rexistráronse as tres primaveras coas temperaturas medias máis altas da historia: en 1997, 2011 e 2017 "A afectación do cambio climático é evidente; desde finais do século pasado e a década dos 80, o verán vaise adiantando un día por cada ano aproximadamente", explica Carlos Balseiro, meteorólogo de 4gotas. As altas temperaturas de hai unhas semanas certifican esta tendencia. "Levamos anos así, nos que a finais de maio xa hai temperaturas propias do verán", insiste quen aclara que a excepción dun ano non ten por que atribuírse a ese cambio climático, pero tamén que o proceso de aumento de temperaturas e antes do habitual "leva tempo pasando". Os datos facilitados pola Aemet ou Meteogalicia sobre a primavera metereolóxica -que inclúe os meses de marzo, abril e maio- e as súas temperaturas máximas certifican que "ben seguro foi a máis cálida da historia". "De ter en conta a primavera astronómica, ata finais de xuño, non hai xa dúbida ningunha porque este mes tamén foi moi caloroso", engade Balseiro. O pasado sábado 17 superáronse os 40º en Ribadavia e chegouse a esa cifra no Barco e Verín De feito, tal e como destaca a Aemet, a anomalía en xuño está a ser de arredor de 1º máis sobre os valores medios en case toda Galicia, aínda que as elevadas temperaturas desta última fin de semana fixeron que a devandita anomalía se aproxime xa aos 2º. Así, as máximas máis elevadas alcanzáronse neses días 17 e 18: 41 º en Ribadavia, 39.9º no Barco e Verín, 32.7 º en Vilagarcía ou 29,9º na Coruña. A mesma auga en menos precipitacións En canto ás precipitacións, a Aemet destaca que, malia que os meses de marzo e maio resultaron húmidos -aínda que o de marzo con valores moi próximos aos normais- as escasas cantidades rexistradas no mes de abril "fan que poidamos caracterizar esta primavera entre seca e moi seca". De feito, este cuarto mes do ano foi o máis seco da historia de todos os meses de abril para o conxunto de Galicia da historia (desde que hai rexistros en 1951). A Aemet define esta primavera como "seca ou moi seca" malia que os meses de marzo e maio foron húmidos; abril foi "extraordinariamente seco" Malia que o día 30 se rexistraron precipitacións con valores de entre 20 e 30 l/m2 en 24 horas nalgunhas estacións, o mes de abril foi "extraordinariamente seco". Por poñer varios exemplos, no observatorio da Coruña (serie 1938-2017) resultou o cuarto abril máis seco. Nos de Santiago e Ourense (datos desde 1944 e 1973), o segundo máis seco. No Aeroporto de Vigo (1951-2017) do mesmo xeito que en Pontevedra e Lugo-Rozas (nestes casos con series máis curtas) tamén resultou o máis seco. As precipitacións superiores aos valores normais e medios en gran parte de Galicia no mes de marzo, ao igual que en maio achegándose á media, impediron unha seca histórica nesta primavera, onde no seu final destacaron as importantes e numerosas treboadas. Con todo, tal e como advirte Carlos Balseiro, a importante seca que leva afectando meses a Galicia "non se pode atribuír unicamente aos efectos deo cambio climático porque ten que ver con algúns outros fenómenos e algúns deles aínda se están a estudar". Por exemplo, as consecuencias do Niño no Pacífico oriental ou un comportamento moi anómalo no Ártico que fixo que se escapase moito aire frío, provocando que as borrascas baixen moito máis do normal e acaben situadas nas Azores sen chegar a Galicia. "Alí a borrasca xira, trae ventos do sur e aire tropical, o que provocaba que houbese moitos días de calor en marzo ou mesmo febreiro, pero tamén eses contrastes de temperaturas e mesmo de días sen precipitacións e logo con abundantes chuvias". As consecuencias foron, por exemplo, situacións como as vividas no mes de marzo en Galicia: entre os días 23 e 25 rexistráronse as temperaturas mínimas máis baixas coincidindo con nevadas. Alcanzáronse -4º en Xinzo e case os 0º en localidades costeiras como Pontevedra. Tan só quince días antes, en Ourense e Ribadavia alcanzaban os 30º e en localidades costeiras como A Coruña superáronse os 27º. Malia que a seca destes meses en Galicia ten moitos fenómenos causantes, Balseiro si que insiste en lembrar que o que si é evidente desde hai anos é a concentración de chuvias en menos días durante o ano. A mesma cantidade de auga nos pluviómetros, pero concentrada en poucas xornadas, unha consecuencia directa do cambio climático. A cantidade de auga que cae non é moi diferente, pero que se concentre en poucos días "é claramente negativo e prexudicial" "A cantidade de chuvia mantense nos últimos anos -agás neste- pero concentrada en menos días; puidera parecer que iso non é problema ao ser os mesmos litros, pero é claramente negativo e prexudicial: o chan está máis seco e non aproveita igual a auga, que esvara polo terreo, acaba no mar ou nos ríos, eleva a temperatura destes... Ademais, a terra é menos fértil, supón un problema importante para os cultivos e o terreo é máis propicio para os incendios", destaca. Os incendios, como o último tráxico de Portugal, son outras das consecuencias da suba das temperaturas e da seca derivadas do cambio climático. En Galicia, abonda con preguntar no rural aos máis vellos para se decatar das mudanzas que no clima se veñen dando e as dificultades que iso supoñen. Con todo, nos finais deste mes de xuño, as cousas volverán algo ao rego. A última semana do mes, segundo anuncia 4gotas, choverá bastante días e non haberá calor. Xa non é pouco. Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por <a data-cke-saved-href='http://taboleiro.praza.gal/delivery/ck.php?n=a9393ebb&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE' href='http://taboleiro.praza.gal/delivery/ck.php?n=a9393ebb&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE' target='_blank'><img data-cke-saved-src='http://taboleiro.praza.gal/delivery/avw.php?zoneid=126&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&n=a9393ebb' src='http://taboleiro.praza.gal/delivery/avw.php?zoneid=126&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&n=a9393ebb' border='0' alt='' /></a>
NOS_25636
O falecemento por disparos da Policía israelí de Iyad al Hallak provocou intensas protestas en 2020, ao ronsel das de Black Lives Matter nos Estados Unidos tras a morte de George Floyd. Ademais, esta quinta feira un adolescente palestino perdeu a vida tras ser tiroteado na véspera durante unha manifestación.
Un axente da Policía israelí foi acusado de homicidio pola morte dun palestino con autismo hai un ano en Xerusalén, segundo informou o Ministerio de Xustiza israelí. O suceso provocou intensas protestas e amplas condenas, que se replicaron no marco das mobilizacións de Black Lives Matter nos EUA pola morte de George Floyd. O Ministerio de Defensa de Israel mesmo se viu na obriga de emitir unha inusual nota de desculpa ante o aumento das protestas da cidadanía israelí e palestina. Iyad al Hallak, de 32 anos, morreu tiroteado o 30 de maio de 2020 cando se encontraba a poucos metros da escola de educación especial onde acudía diariamente. A Policía argumentou que o perseguira porque portaba "un obxecto sospeitoso que semellaba unha pistola", e que disparou porque non atendera á orde de alto. O obxecto sospeitoso resultou ser un teléfono móbil. O axente que realizou os disparos e do que non se fixo público o seu nome na folla de cargos afronta unha pena de 12 anos de cárcere en caso de ser declarado culpábel. No momento da súa morte, Hallak "non estaba a soster nada nas súas mans nin a facer nada que o xustificase, mais o acusado disparou á parte superior do seu torso tomando desta maneira un risco excesivo que causaría a morte de Iyad", sinálase nas acusacións. En declaracións á axencia Reuters, a nais de Hallak denunciou que "outros axentes estiveron implicados na súa morte". "Onde están os seus cargos?", preguntouse. As organizacións palestinas levan anos denunciando as tácticas e operativos das forzas de seguridade israelís en Xerusalén Leste e en Cisxordania, que acaban frecuentemente coa morte de civís inocentes. Adolescente morto Onte produciuse outra desas mortes en Palestina, a dun adolescente de 16 anos. De nome Ahmad Zani Bani-Shamsa, na pasada cuarta feira foi ferido de gravidade tras recibir un disparo na cabeza no marco dunha protesta na aldea de Beita, nos arredores da cidade de Nablús onde un grupo de colonos levantou recentemente un novo asentamento. A manifestación foi convocada por residentes en varias aldeas da zona para protestar contra a construción deste asentamento provisional, onde foron instaladas 20 caravanas de cara ao establecemento dun ─outro máis─ asentamento permanente.
NOS_35696
Néstor Rego defende que a Administración Xeral do Estado ten de reclamar xa a execución provisoria da sentenza.
O BNG reclama ao Goberno español, por medio dunha iniciativa parlamentar no Congreso, solicitar a execución provisional da sentenza do xulgado de primeira instancia da Coruña que estabelece que o Pazo de Meirás forma parte do patrimonio público. O portavoz do BNG na Cámara española, Néstor Rego, destacou que dita sentenza estabelece que "este inmóbel é propiedade do Estado e declara non válida a venda simulada coa que os herdeiros do ditador acreditaban a posesión da devandita propiedade a título particular". O deputado nacionalista salientou que "estamos diante dun feito histórico, cargado de grande simbolismo e relevancia", pois é a primeira vez que unha sentenza recoñece que as actuacións para a entrega deste ben a Francisco Franco foron realizadas de forma ilegal e nun contexto de extorsión e terror. Aliás, Rego afirmou que o BNG vai exixir que de forma inmediata, unha vez que o Pazo de Meirás estea nas mans de Patrimonio do Estado, que o Goberno inicie o proceso de transferencia á Galiza. O Deputado nacionalista enfatizou que a reclamación maioritaria no noso País é que o Pazo pertence "ao pobo galego", e iso significa que ten de estar nas mans de institucións galegas. O Parlamento galego posicionouse a principios deste mes de forma unánime a prol de reclamar ao Estado español a execución provisional da sentenza que o pasado mes de setembro concluíu que a propiedade do pazo de Meirás (Sada), que foi durante anos a residencia de verán do ditador, é pública, o que obriga a familia Franco, en cuxas mans segue a estar este conxunto patrimonial, a restituíla sen obter ningunha retribución. A Cámara fixo tamén, grazas a unha iniciativa presentada polo deputado nacionalista Luís Bará na Comisión Institucional da Cámara, un recoñecemento ás persoas e entidades que durante décadas e nomeadamente nos últimos anos denunciaron o espolio e participaron no proceso de recuperación do pazo, un traballo que, aos seus ollos, posibilitou este fallo "histórico", segundo coincidiron en describilo os tres grupos parlamentares .
NOS_21513
A proposta de Xerencia non convence os traballadores e traballadoras do servizo, que suman xa catro xornadas de greve. A asemblea acorda un fechamento para o 19 de decembro.
As diferentes categorías do persoal de Urxencias do Hospital Clínico Universitario de Compostela (CHUS) aprobaron en asemblea realizar un feche de 24 horas o vindeiro 19 de decembro e unha manifestación por Santiago o día 9 de xaneiro. Intensifícase pois a loita de Urxencias do CHUS. Entre as demandas do persoal, entre outras cuestións, figura a elaboración do plan funcional negociado coa Comisión de Centro e acordado co equipo multidisciplinar, a dotación de suficientes meios humano en todos os colectivos, a reposición do material deteriorado, obsoleto e/ou descatalogado e dotación de material necesario en cada posto, ou a cobertura do 100% das ausencias dos traballadores. O comité de greve reuniuse esta segunda feira coa Xerencia. No encontro a dirección do CHUS ratifica a súa proposta "de persoal de 2 médicos, 5 enfermeiros e 5 auxiliares de enfermaría e, como novidade, propón o peche dunha parte do servizo en concreto de 10 ocos de 'sillóns' que se abrirían cando fose necesario con persoal alleo ao servizo", informan desde a parte social. A proposta de xerencia foi rexeitada en asemblea. "Todos os traballadores reclaman que todos os ocos do servizo de urxencias deben estar abertos e dotados de persoal", indica o comité.
NOS_8847
O Colectivo Contra a Islamofobia denunciou os feitos, que decorreron en Niza. O avogado da crianza alerta da ''histeria colectiva'' que se vive en Francia após os asasinatos de 'Charlie Hebdo'.
Con só oito anos Ahmed, un neno francés, foi interrogado por policías nunha comisaría de Niza por "apoloxía do terrorismo". O Colectivo contra a Islamofobia de Francia e Sefen Guez, avogado da crianza e da súa familia, denunciaron os feitos. O letrado alertou sobre o "estado de histeria colectiva" que se viven no país galo após o atentado contra 'Charlie Hebdo'. O motivo que desembocou na presenza deste menor na comisaría da xendarmería francesa foi unha pregunta do seu mestre á aula de primaria onde estuda Ahmed. O mestre preguntoulles se se sentían 'Charlie', en referencia ao lema de 'Je suis Charlie'. O neno dixo que non, que non se sentía Charlie e engadiu: "Eu estou cos terroristas". A dirección do colexio presentou denuncia perante a policía O profesor puxo en coñecemento da dirección do centro o sucedido, e os responsábeis convocaron os pais de Ahmed. Aliás, presentaron unha denuncia perante a policía francesa. O Ministerio de Educación recoñece a existencia dunha denuncia, mais dirixida contra o pai de Ahmed. Unha vez que Ahmed estivo en comisaría a policía preguntoulle que significaba a palabra terrorismo. "Non o sei", respondeu o rapaz. Tamén lle preguntaron se dixera na aula que os xornalistas mererían morrer. "Non o dixen", respondeu. O avogado di que o neno si que recoñeceu dicir que estaba do lado dos terroristas.
PRAZA_1491
O Goberno prevé unha multa de 10 millóns ao grupo pesqueiro galego por faenar ilegalmente na Antártida e sanciona 50 mariñeiros logo da operación 'Sparrow' contra unha compañía condenada xa sete veces e cuxos buques foron detidos en once ocasións.
Ata 10 millóns de euros. Esa cantitade é a que podería ter que pagar o grupo empresarial galego Vidal Armadores logo de que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente iniciase contra ela un proceso sancionador no marco da operación Sparrow. É unha máis -pero se cadra a máis contundente- das accións gobernamentais e xudiciais contra esta firma pirata de Ribeira, coñecida pola morea de denuncias por pesca ilegal que acumula e polas contundentes medidas que diversos Estados teden levado a cabo contra ela. Pero a súa polémica actividade non se detén. Nova Celandia abordou tres buques que pescaban pescada negra de maneira ilegal e deu inicio á operación contra Vidal Armadores A última operación internacional contra a pesca ilegal en augas da Antártida tamén deu con tres barcos presuntamente vinculados a Vidal Armadores e con bandeira de Guinea Ecuatorial: o Songhua, o Kunlun e o Yongding. Nova Celandia perseguiunos en xaneiro por capturar pescada negra en augas antárticas, unha especie que acada elevados prezos no mercado, tanto no legal como no ilegal. O primeiro destes barcos, o Songhua, era xa moi coñecido para as autoridades. Australia denunciouno e incluíno na lista negra da Comisión para a Conservación dos Recursos Mariños Antárticos (CCRMA). Daquela chamábase Paloma V e tiña bandeira de Namibia. Tamén a tivo de Mongolia, Tanzania ou Indonesia. E ten cambiado de denominación unha vez ao ano desde aquela. Vidal Armadores colleu sona por ser símbolo e principal protagonista destas prácticas ilegais nas que emprega tamén redes prohibidas, como as que usaba nos últimos meses. O goberno de Nova Celandia relaciónaos coa empresa de Ribeira malia que algunha das embarcacións son propiedade de Eastern Holdings Ltd., unha suposta firma pantasma con sede en Belice. Varias ONG levan anos denunciando as prácticas ilegais de Vidal Armadores, que viu tamén como algúns dos seus buques foron afundidos ou despedazados ante as cámaras. Pero nunca se detivo. Greenpeace acumula lustros de persecución a esta compañía e en 2009 xa a denunciara ante a Audiencia Nacional tras reclamar ao Goberno central unha actuación contundente. Os barcos de Vidal Armadores foron detidos once veces e a compañía recibiu sete condenas por pesca ilegal Nos últimos 16 anos -desde principio de século- os barcos da compañía foron detidos polo menos once veces e a compañía recibiu sete condenas -unha delas de cárcere para un dos membros da familia Vidal. Ademais, tres dos seus buques foron confiscados e foron multados por valor de máis de 3 millóns de euros. Malia todo, e tal e como lembra Greenpeace, o grupo empresarial recibiu uns 16 millóns de euros en subvencións pesqueiras por parte das administracións españolas durante a década dos 2000. Tamén Biomega Nutrición, participada por Manuel Antonio Vidal Pego, apoderado da firma, foi subvencionada con case 4 millóns de euros pola Xunta para a construción dunha planta de produción de Omega 3 a partir de aceite de fígado de peixe. Case todo lle saíu de balde ou lle compensou a Vidal Armadores, que non dubida en patrocinar clubs deportivos e colaborar con diversos colectivos na comarca do Barbanza. Desta vez, e tras a reforma da Lei de Pesca que permmite unha maior presión sobre "buques apátridas e de abandeiramento de conveniencia", as cousas poderían cambiar. O Estado anunciou 19 sancións moi graves a sete empresas, todos relacionados con Vidal Armadores Xa en marzo, inspectores de Pesca pasaron días na sede de Vidal Armadores para analizar milleiros de documentos e comprobar a morea de operacións e sociedades interpostas e domiciliadas en paraísos fiscais que forman parte do conglomerado pesqueiro. A pasada semana, o Goberno anunciou 19 sancións moi graves a sete empresas, todas relacionadas coa matriz. Entre 60.000 e 600.000 euros de sanción até sumar, aproximadamente, uns 10 millóns de euros. Ademais, e nunha decisión novidosa, abríronse expedientes sancionadores a 50 tripulantes por se enrolar nos barcos presuntamente piratas de Vidal Armadores durante os últimos anos e malia o veto ao que están sometidos polo regulamento da UE. Todo froito dunha operación Sparrow que é histórica e que contou coa colaboración estreita de Australia e Nova Celandia.
PRAZA_20744
Hai agora dez anos, os medios de comunicación rachaban a tradicional seca informativa do mes de agosto anunciando un episodio que para moita xente resultou enigmático:o estoupido das chamadas "hipotecas subprime" nos mercados financeiros dos USA.
Hai agora dez anos, os medios de comunicación rachaban a tradicional seca informativa do mes de agosto anunciando un episodio que para moita xente resultou enigmático:o estoupido das chamadas "hipotecas subprime" nos mercados financeiros dos USA. A reacción maioritaria dos analistas -sobre todo no ámbito europeo- foi transmitir unha mensaxe de tranquilidade: era unha treboada "normal", propia das características específicas da evolución da economía norteamericana nos anos precedentes. Xa que logo, non había motivos serios para se preocupar: a UE non ía padecer os efectos negativos derivados dun potencial contaxio. Os prognósticos optimistas fracasaron tanto como a descrición do "mundo feliz" -a fortaleza estrutural dos círculos virtuosos presentes na lóxica das economías do primeiro mundo, a suposta desaparición dos ciclos na dinámica económica...- na que estaban instalados dende había anos a grande maioría dos economistas que exercían no ámbito académico ou nos staffs de asesoramento gobernamentais. Os impactos do shock rexistrado nos USA foron desiguais -na súa intensidade e na velocidade temporal coa que apareceron- nos distintos territorios da UE. As eivas específicas que presentaban as economías de cada Estado ou nación provocaron efectos diferentes que non agacharon a pertinencia dun diagnóstico común:estabamos ante a maior crise do sistema capitalista dende a década dos anos 30 do século XX. A existencia dunha moeda común e as fortes limitacións estabelecidas no funcionamento da unificación económica (mínimo orzamento comunitario, carencia de políticas fiscais de ámbito supraestatal, restricións na actuación do Banco Central Europeo) motivaron que a resposta á crise pivotara sobre o "mantra" da austeridade: severa redución do gasto público como mecanismo prioritario para cadrar as contas das facendas estatais. E tamén sobre outro factor de graves repercusións sociais: a devaluación salarial como ferramenta básica da recuperación dos beneficios empresariais. O cadro resultante é ben coñecido: perda de postos de traballo, máxima precarización do "novo" emprego que se crea, redución da capacidade adquisitiva da poboación asalariada e notábel deterioro das políticas de benestar encomendadas ás Administracións públicas, agudización dos niveis de desigualdade nas condicións de vida. Unha desfeita coma esta, suscitou as lóxicas controversias no mundo das ideas. Os defensores do pensamento ortodoxo puxeron en circulación, entre outras, dúas teses que pretenderon elevar á condición de novos mitos da nosa época. Primeiro afirmaron que un dos mais relevantes motivos causais da crise estivo situado na circunstancia de que as sociedades viviamos "por riba das nosas posibilidades".E despois, sostiveron o criterio de que as perdas rexistradas no Estado do benestar eran transitorias:só un breve paréntese no seguro retorno aos dereitos dos vellos tempos. As dúas foron -e son- construcións voluntaristas, sen fundamentos reais contrastados, que pretenden socializar as responsabilidades na destrución padecida nos parámetros do benestar público e difundir a ilusión dunha recuperación que sexa quen de neutralizar os episodios de rebelión social. No ámbito do Estado español, esta década de crise contribuíu á xestación de dous fenómenos que non se tiñan rexistrado anteriormente:o movemento xurdido no 15-M do ano 2011 -e a posterior reconfiguración do mapa político hexemonizado polo bipartidismo- e o medre substancial no apoio social recibido polo independentismo catalán. Hai, por suposto, outros factores concorrentes na explicación de semellantes realidades (a xeneralización da corrupción nunha parte relevante da elite política, a sentenza do TC contraria a unha parte significativa do novo Estatut de Catalunya aprobado en referendo...) pero sen ese pano de fondo da creba dos equilibrios económicos previos non se entendería, por exemplo, a maior participación na política de sectores importantes da mocidade frustrados pola invisibilidade dun futuro digno para as súas expectativas vitais.
PRAZA_9245
Nas últimas semanas houbo decenas de asembleas en cidades e vilas de toda Galicia, que continuarán nos vindeiros días para mellorar a coordinación e a organización do paro xeral. Ademais, este venres CUT, SLG e SF-Intersindical rexistraron a convocatoria de folga laboral, "seguindo o mandato dos movementos feministas"
O movemento feminista leva meses traballando na organización dunha nova folga xeral de mulleres que lle dará continuidade á xornada histórica que se viviu o pasado ano. Un impulso, con encontros a nivel estatal, galego e tamén local e comarcal, que se acelerou nesta última semana, con xuntanzas en Cee, Carballo, Nigrán, Compostela, Barreiros, Cervo, San Cibrao, Vigo, Vilalba, A Coruña, Ferrol, Pontevedra ou Ourense, entre outros lugares. Esta semana están convocadas, ademais, asembleas en Viveiro (2 de febreiro), Ribadeo (5 de febreiro), Burela (8 de febreiro) e O Valadouro (9 de febreiro), entre outras localidades.Na última semana o movemento feminista levou a cabo asembleas en cidades e vilas de toda GaliciaSerá de novo unha folga laboral, estudantil, de coidados e de consumo. Valencia acolleu a pasada fin de semana o V Encontro Feminista Estatal, que reuniu a 500 mulleres chegadas de todos os territorios e que serviu para avanzar na coordinación. A multiplicación nos últimos días das asembleas comarcais, impulsadas por entidades locais, é unha mostra dun paso adiante na organización do movemento e da convocatoria.Ao igual que sucedeu o pasado ano, para a convocatoria legal da folga xeral laboral era necesaria a participación dalgún sindicato. En Galicia, CIG, CGT, CNT, CUT, SLG e SF-Intersindical xa anunciaron o seu apoio a unha convocatoria de 24 horas. Mentres, CC.OO. e UGT anunciaron que volverán chamar a paros parciais (de 2 horas), ao igual que o ano pasado, aínda que deixaron a porta aberta a folgas de 24 horas en "sectores feminizados".CUT, SLG e SF-Intersindical rexistraron este venres na Consellería de Traballo a convocatoria de folga xeral, "seguindo o mandato dos movementos feministas"Precisamente CUT, SLG e SF-Intersindical rexistraron este venres na Consellería de Traballo a convocatoria de folga xeral, "seguindo o mandato dos movementos feministas". A novidade da convocatoria de folga deste ano radica en que, por primeira vez, diríxese exclusivamente a "todas as mulleres traballadoras de Galiza", deixando a porta aberta ademais a que se sumen "todas aquelas persoas que estean sometidas ás diferentes violencias patricarcais como reacción ao seu xénero".A Secretaría das Mulleres da CUT iniciará nos días vindeiros unha campaña de mobilización desta folga que, baixo o lema "Todas con dereitos, ningunha con medo", destacando que "se as mulleres paran, a vida para; así como visibilizar o poder das mulleres sobre o sistema e unilas en combate contra todas as violencias machistas e capitalistas". O pasado ano Ana Viqueira, responsable da Secretaría das Mulleres da CUT salientaba que 8M supuña "un punto de inflexión no funcionamento dos sindicatos. Estamos a transformar a ferramenta da folga"CIG, CGT e CNTA CIG convocará este ano unha folga xeral de 24 horasO pasado 20 de decembro o IV Encontro Nacional de Mulleres da CIG aprobou a convocatoria de folga de 24 horas. "Non imos permitir que fosen de farol o pasado 8M e que todas as promesas que fixeron nos días posteriores quedasen finalmente en nada", sinalou a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, coa que falamos o pasado ano nas semanas previas á folga."Intensificaremos o esforzo divulgativo nos centros de traballo, convocaremos asembleas nas empresas, informando e convencendo da necesidade de irmos á folga, mais tamén man a man coas asociacións e colectivos dos que formamos parte para lograr que o 8M supere en participación o anterior", sinala a central, que fixa o obxectivo primordial en que a folga "teña repercusións legais e sexamos quen de erradicar as discriminacións, o machismo e a violencia que temos que facer fronte dentro e fóra do ámbito laboral polo feito de sermos mulleres". Ao igual que xa fixera o pasado ano, a CNT tamén anunciou a convocatoria da folga de 24 horas en todos os sectores "en resposta ao chamamento do movemento feminista". "As mulleres seguen enfrentándose día a día a unha sociedade capitalista e patriarcal que lles nega o dereito máis básico á non discriminación", sinala o sindicato, que enumera os motivos que o levan a apoiar a folga do movemento feminista: Convenios abusivos, falta de ferramentas eficaces para garanter o mesmo salario para desempeños de igual valor, enfermidades non recoñecidas propias do traballo en sectores feminizados, acoso e abuso sexual.CC.OO. e UGT anunciaron que volverán chamar a paros parciais (de 2 horas), aínda que deixaron a porta aberta a folgas de 24 horas en "sectores feminizados"Así mesmo, a CGT aprobou a pasada fin de semana a convocatoria da folga de 24 horas. O sindicato esixe a fin da desigualdade no ámbito laboral, a adopción de medidas que acaben coa fenda salarial e a desigualdade nas pensións, a erradicación do acoso e precariedad laboral e o desenvolvemento de políticas laborais e económicas que fagan efectivas a conciliación da vida persoal coa laboral. Así mesmo, subliña que traballará para evitar que os servizos mínimos sexan "abusivos". Cómpre lembrar que nos últimos meses a xustiza condenou en varias ocasións á Xunta de Galicia polos servizos mínimos "maliciosos" cos que vulnerou o dereito de folga o pasado 8 de marzo.
NOS_17060
Os técnicos municipais e os de Viaqua, a empresa concesionaria do servizo da auga, estabeleceron catro niveis no marco dun plan excepcional de actuacións: normalidade, prealerta, alerta e emerxencia.
O Concello de Pontevedra emitiu esta terza feira un bando asinado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, no que anuncia a adopción dunha serie de "medidas excepcionais" de redución do consumo de auga do abastecemento municipal. A Xunta convoca os concellos afectados pola seca do río Lérez Este conxunto de medidas veñen obrigadas pola situación de prealerta de seca decretada pola Xunta e a baixada de caudal do río Lérez. Segundo xustifica o rexedor, son medidas "dirixidas a asegurar o aforro de auga e o uso racional do recurso". Entre outras, o Concello aproba a restrición do uso da auga destinada a encher piscinas, a rega de xardíns e outros usos lúdicos, baldeos, limpezas de fachadas e lavado de vehículos particulares. Damián Insua, investigador e meteorólogo: "No futuro aumentarán as secas, tamén as agrícolas" O Concello de Pontevedra tamén insta as empresas e industrias a minimizar o consumo e a un uso razoábel da auga da rede municipal, tendo en conta que o uso prioritario é o do abastecemento á poboación, que por agora está "garantido". O bando lembra á cidadanía que "é necesario tomar conciencia da importancia de levar a cabo medidas de aforro no consumo da auga, evitando o malgasto e minimizando os usos prescindíbeis". O concello de Paderne, sen auga durante 32 horas pola seca e o "consumo excesivo" A concelleira do Ciclo da Auga, Carme da Silva, explicou que estas medidas aplicaranse a partir de hoxe mesmo. "Queremos anticiparnos ao escenario de alerta porque é fundamental que a poboación se conciencie", apuntou. Plan excepcional de actuacións O Goberno local tamén aprobou un plan excepcional de actuacións ante a situación de escaseza de recursos hídricos, no que se prevén unha serie de medidas para a subministración de auga entre a poboación do municipio en función do nivel de caudal do Lérez. Os técnicos do Concello e os de Viaqua, a empresa concesionaria do servizo da auga, estabeleceron catro niveis: normalidade, prealerta, alerta e emerxencia. Alerta de seca durante o verán: estas son as recomendacións das persoas expertas sobre o uso e consumo de auga O terceiro nivel, de "alerta", é no que se fixarían restricións. Daríase cando o río presente un caudal entre os 0,87 e 1,17 metros cúbicos por segundo. As prohibicións que o Consistorio acaba de pór en marcha incluirían un réxime de sancións, multando os incumprimentos das restricións. No último nivel do protocolo, se o río Lérez marcase rexistros por baixo dos 0,87 metros cúbicos por segundo, Pontevedra deixaría de captar do río e teríase que abastecer directamente do encoro de Pontillón do Castro, no termo municipal, que só ten capacidade de subministración para un mes.
NOS_12383
O fútbol gaélico chegou ao campo de refuxiadas de Ioannina, en Grecia, este mes de setembro. Faino da man do adestrador nacional galego Alexandre Sanmartín, 'Jano', co obxectivo de que os seus habitantes esquezan por unhas horas a súa dura situación. O deporte demostra, unha vez máis, o seu valor social.
O deporte na sociedade cumpre moitas funcións. Ademais de achegar múltiples beneficios físicos e ser unha actividade formadora, é unha potente ferramenta psicolóxica. En determinados contextos xeográficos e sociais pode ir máis alá e servir como punto de apoio en situacións difíciles. Por este motivo é habitual a súa presenza como unha das actividades prácticas que empregan as organizacións non gobernamentais (ONG) que traballan en escenarios con múltiples carencias de todo tipo. Un deses escenarios son os campos de persoas refuxiadas, cada vez máis numerosos, que acollen persoas desprazadas, sobre todo como consecuencia de conflitos bélicos. A Coruña será a sede en outubro do torneo de fútbol gaélico máis importante de Europa Este mes de setembro ao de Ioannina, situado no oeste de Grecia e a poucos quilómetros da fronteira con Albania, chegou o fútbol gaélico da man do adestrador da selección nacional galega deste deporte, Alexandre Sanmartín, 'Jano'. Como responsábel europeo oficial dos técnicos de deportes de orixe irlandesa dentro do organismo Gaelic Games Europe desde 2019, ten participado en numerosas actividades en varios países e este ano resolveu dar un paso máis e participar nun proxecto solidario e de cooperación. Na decisión de introducir o fútbol gaélico nun campo de refuxiadas influíu o contacto irlandés que atoparon en Grecia na organización que xa traballaba nese país: a Sport for Refugees Coalition. Desde o país heleno e vía telefónica, o adestrador galego explica que o primeiro paso para iniciar esta actividade foi contar con material deportivo axeitado para enviar previamente a Grecia. "Aproveitamos o Campionato Europeo que tivo lugar en Pontevedra para realizar unha colecta e conseguimos reunir máis de 50 pares de botas", relata Jano a Nós Diario. Xogar entre as pedras O campo de persoas refuxiadas de Ioannina non conta sempre coa mesma poboación. Na actualidade viven nel aproximadamente unhas 500 persoas, sen chegar polo de agora á metade da súa capacidade, que están de paso cara a outros destinos. Alba Rodríguez, xogadora: "O resultado mostra o moi bo traballo que se fixo" A súa procedencia é, nunha grande parte, do Afganistán como consecuencia da represión talibán mais tamén hai familias do Irán, Kurdistán e Somalia. As ONG están situadas nun centro social diante do propio campo e a actividade de fútbol gaélico ten que realizarse tres tardes á semana, nun prado ao carón das propias instalacións. "Non é un campo axeitado e está cheo de pedras mais é o espazo que hai", indica o adestrador. O achegamento a este deporte, descoñecido nos países das persoas refuxiadas do campo, faise dunha maneira lúdica mesmo mudándolle o nome por "fútbol irlandés" para situalo xeograficamente. Cunha media de entre quince e vinte participantes a idea é "facer xogos para que o pasen ben nunha situación tan complicada como a que viven". Ao inicio da actividade eran rapaces mais co paso dos días conseguiuse que se sumaran rapazas até crear un grupo de idades moi variadas. A outra función do deporte e o fútbol gaélico "Están como nun cárcere e vénlles moi ben facer unha actividade deportiva", asegura Jano. Nestes días descubriu que moitas das persoas que viven no campo de refuxiadas de Ioannina levan moitos meses "paradas e sen ter acceso a nada". A actividade deportiva é "unha saída" que lles motiva coa colaboración das voluntarias e voluntarios das ONG. "Montaron un pequeno ximnasio grazas á xente anónima que enviou material deportivo e xa se creou un club de boxeo no que tamén participo", explica. Cando hai posibilidade organizan algún campionato como o que estes días dedican ao baloncesto. "Desconectan coa realidade que teñen, como o muro que lles construíron hai pouco", sinala. Baloncesto é liberdade no campo de refuxiadas Desta primeira experiencia entre o fútbol gaélico e a cooperación solidaria nacerán outras que terán en conta a evolución da situación nos campos de refuxiadas. Alén da recuperación anímica do momento, a intención de Gaelic Games Europe é que as persoas que pasan por estas instalacións camiño doutros países europeos teñan a seguridade de que no lugar de destino tamén hai clubs deste deporte no que poden ter acollida. "É outra motivación, saber que co fútbol gaélico terán acceso a entidades que o practican en lugares en lugares tan distantes como París ou Marsella ", indica o seleccionador galego. Cando remate a súa estancia en Grecia, Jano ten por diante preparar a selección galega para os Xogos Mundiais que este ano confirmaron a súa realización na localidade de Derry (Irlanda) a finais do mes de xullo.
NOS_24645
Un informe demostra que a rede social utiliza arquivos que violan as leis europeas de protección de datos para investigar o comportamento dos e das internautas.
Un informe elaborado pola Comisión de Privacidade belga vén de destapar que Facebook rastrexa de forma ilegal aos seus usuarios e usuarias. A rede social utilizaría arquivos, coñecidos como datr, que recollerían o comportamento dos e das internautas, incluso cando non navegan na páxina creada por Mark Zuckerberg. Unha práctica que violaría a lexislación europea en materia de privacidade. Sinalan en concreto a directiva aprobada en 2002 polo Parlamento Europeo na que se prohibe o uso deste tipo de arquivos (cookies) para persoas usuarias que non se subscriban a unha web. Os autores do informe aseguran que a rede social non cumpre ningunha das excepcións que lle permiten obter este tipo de información, segundo recolle o diario británico 'The Guardian', que publicou o estudo en exclusiva. Facebook rexeita as acusacións e asegura que se trata de prácticas habituais e legais na web. A resposta de Facebook non se fixo esperar. A compañía lamentou o informe e rexeitou as acusacións, asegurando que se trata de prácticas habituais. "Virtualmente todas as web, entre elas Facebook, usan legalmente estes arquivos para ofrecer servizos. As cookies son un estándar da industria dende hai máis de 15 anos", sinalan nun comunicado. "Non sorprende que Facebook teña unha opinión diferente en canto a que requiren as lei de protección de datos. Pero si Facebook sinte que o informe contén erros, recibiremos con alegría calquera emenda específica que queiran facer", responderon os investigadores en declaracións a 'The Guardian'.
NOS_31097
Juan Carlos I empregou sociedades instrumentais en testaferros para ocultar o pagamento de billetes de avión para esa viaxe.
O rei emérito viaxou á Polinesia Francesa con diñeiro opaco da Fundación Zagatka, unha sociedade instrumental de Liechtenstein controlada polo seu curmán Álvaro de Orleans. Juan Carlos I utilizaba esta sociedade para esconder parte da súa fortuna no estranxeiro, segundo asegura El Confidencial. O citado medio indica que o rei seguiu gozando deste diñeiro non declarado despois de abdicar no 2014; por exemplo, cando no 2016 fixo a viaxe á Polinesia. Os documentos da viaxe do emérito mostran unhas operacións estrañas para pagar a viaxe a Tahití. Juan Carlos I celebrou o fin de ano de 2015 en Los Ángeles. O 1 de xaneiro de 2016 colleu un avión para voar ata Papeete, a capital do arquipélago polinesio. O 5 de xaneiro celebrou os seus 78 anos nas illas. O 9 de xaneiro, o emérito volveu a Los Ángeles. Segundo os documentos da viaxe, só os cinco billetes de ida e volta en Papeete (para el e para 4 dos seus gardacostas) custaron 32.900 euros. Os billetes de avión non se pagaron cos fondos da asignación dos Orzamentos Xerais do Estado para o monarca, nin tampouco a través da partida correspondente á casa real. Os billetes pagáronse con diñeiro que saíu dunha conta ao Credit Suisse controlado pola Fundación Zagatka. Aínda que os billetes se xestionaron desde unha axencia de Londres, o diñeiro foi a parar ao primeiro ex marido de Corinna Larsen, Philip Adkins, con quen o emérito tiña unha boa relación de amizade. Varias facturas e correos demostran que Philip Adkins foi o encargado de adiantar o diñeiro para comprar os billetes de Juan Carlos I e os seus gardacostas. As intríngulis desta viaxe poderían constituír un presunto branqueo de capitais se se acredita a orixe ilícita do diñeiro da Fundación Zagatka.
PRAZA_11677
En Galicia hai un 58% de xuízas, que son a gran maioría (77%) entre os maxistrados e maxistradas de menos de 40 anos. Porén, os homes seguen predominando no TSXG, nas Audiencias Provinciais e en órganos coma o Supremo ou a Audiencia Nacional
As mulleres son o 58% dos xuíces e xuízas de Galicia, pero non foi ata este venres que unha muller foi elixida para presidir unha das salas do TSXGNo ano 2013 producíase no Estado español un fito histórico: por primeira vez o número de xuízas superou ao de xuíces, unha circunstancia que en Galicia xa tivera lugar un chisco antes. Esta tendencia continuou consolidándose dende entón, dado que as mulleres son ampla maioría nas novas xeracións de xuíces e xuízas, mentres que a maior parte dos profesionais que se xubilan son varóns.Na actualidade (datos do 1 de xaneiro de 2019) as mulleres son o 57,9% dos xuíces e xuízas en Galicia, fronte ao 42,1% de homes. Porén, non foi ata este venres que unha muller foi elixida para presidir unha das salas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. María Dolores Rivera Frade tomou posesión como nova presidenta da Sala do Contencioso do TSXG, na mesma sesión da na Luis Fernando de Castro Mejuto se converteu en presidente da Sala do Social do alto tribunal galego.Dores Rivera defendeu "o labor de xulgar sen lle dar as costas á realidade que nos rodea"O nova presidenta da Sala do Contencioso defendeu "o labor de xulgar sen lle dar as costas á realidade que nos rodea". Dores Rivera comprometeuse a promover mecanismos que conduzan a conseguir unha "sala moderna, dixitalizada, adaptada ás novas tecnoloxías". Incidiu tamén na necesidade de que respecte no seu funcionamento o principio de seguridade xurídica, "evitando criterios e formas de actuación dispares entre seccións". Rivera tamén se mostrou partidaria de "potenciar mecanismos alternativos de solución de conflitos"."O feito de que a muller sexa maioría na carreira xudicial española debe corresponderse con idéntica presenza nos altos cargos xudiciais", salientou o presidente do TSXGO propio presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, destacou a circunstancia de que Rivera sexa a primeira muller que ocupa unha presidencia de sala en toda a historia do Tribunal e da que foi Audiencia Territorial da Coruña: "O feito de que a muller sexa maioría na carreira xudicial española debe corresponderse con idéntica presenza nos altos cargos xudiciais", salientou Díaz-Castroverde.Desde 1992, cando ingresou na carreira xudicial, ata o ano 2000, Dores Rivera foi titular de xulgados de primeira instancia e instrución en Vilagarcía de Arousa e L'Hospitalet de Llobregat. Os seus seguintes destinos, entre 2000 e 2010, foron os xulgados número 1 e 2 do Contencioso-Administrativo de Compostela, desde onde pasou a ocupar unha praza na Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, que presidirá a partir de agora.Nas Audiencias Provinciais galegas os homes son maioría (35 fronte a 25), unha diferenza que se incrementa no propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (27 a 12)Aínda que as mulleres son ampla maioría no mundo da xudicatura, esa distribución non se traslada ás presidencias de sala e aos órganos de goberno. Ademais, determinados tribunais seguen a contar con moitos máis xuíces que xuízas. Así, as mulleres son clara maioría nos xulgados de instrución e primeira instancia (53 a 17), no Xulgado de Menores (4 a 0) e no Xulgado do social (16 a 10). Tamén, forma máis equilibrada, no Xulgado do Penal (12 a 9), mentres que no Xulgado do Contencioso-Administrativo o número homes e mulleres é idéntico (8 e 8). Pola contra, nas Audiencias Provinciais os homes son máis (35 fronte a 25), unha diferenza que se incrementa no propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (27 a 12).Nas restantes comunidades autónomas e no conxunto do Estado a situación é moi semellante, con máis do 60% de mulleres nos xulgados de violencia de xénero, nos xulgados de instrución e primeira instancia, nos xulgados de menores e nos xulgados do penal e do social. Pola contra, no órganos superiores (aos que se accede despois de varias décadas de exercicio), os homes seguen a ser clara maioría: na Audiencia Nacional os varóns son o 56% dos xuíces e xuízas, nas Audiencias provinciais son o 61%, nos Tribunais Superiores o 63% e no Tribunal Supremo a porcentaxe masculina chega ao 81%.En canto aos presidentes e presidentas de sala nos tribunais superiores nas restantes rexións e nacionalidades, atopamos unicamente unha presidenta de sala do penal fronte a 16 presidentes, 5 presidentas de sala do contencioso administrativo (fronte a 16 homes) e 8 presidentas de sala do social (fronte a 13 homes).Nos xuíces e xuízas de menos de 40 anos hai un 77% de mulleres. Por riba de 61 anos hai un 78% de homesA comezos deste ano 2019 había en Galicia 201 xuízas e 146 xuíces, sendo as mulleres clara maioría entre os maxistrados e maxistradas máis novas, sumando 52 profesionais de menos de 40 anos (un 77%) fronte a 15 homes (23%). No grupo de idade entre 41 e 50 anos hai tamén unha clara maioría feminina (66% fronte a 33%). Mentres, entre 51 e 60 anos as cifras iguálanse (51 xuízas e 52 xuíces) e por riba de 61 anos (os máis próximos a xubilarse) os homes son maioría, co 78% do total (45 xuíces e 15 xuízas).
PRAZA_17698
Tras un ano marcado pola crise política catalá, o presidente da Xunta presenta Galicia como garante da defensa da Constitución no acto institucional das Medallas de Galicia
Tras un ano político marcado a nivel estatal pola crise catalá, e con ela polo protagonismo do Tribunal Constitucional, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, elixiu como receptores da Medalla de Ouro de Galicia, a máis alta condecoración do Goberno galego, os tres presidentes que tivo ata agora de orixe galego esa alta institución. Este martes, na entrega das medallas, Feijóo aproveitou para presentar a Galicia, e con ela a si mesmo, como fieis ao texto constitucional. Tras un ano marcado pola crise política catalá, o presidente da Xunta presenta Galicia como garante da defensa da Constitución Os galardoados coa Medalla de Galicia foron este ano Álvaro Rodríguez Bereijo, presidente do Constitucional entre 1995 e 1998, María Emilia Casas, entre 2004 e 2011, e Juan José González Rivas, no cargo desde 2017. A orixe galega dos tres está motivada máis polos seus proxenitores que pola súa propia vida, desenvolvida fóra da comunidade. De feito, este martes ningún dos tres empregou o galego nos seus discursos de agradecemento. Un momento da entrega das Medallas de Galicia 2018 [Xunta de Galicia] "Defender a Constitución é defender o conxunto de España, pero tamén defender a Constitución é defender Galicia, a súa identidade propia e a súa Autonomía e o seu autogoberno para participar nos asuntos de España" Na súa propia intervención, o presidente Feijóo dedicou un lugar destacado a eloxiar a figura do recentemente falecido Xerardo Fernández Albor, ao que presentou como exemplo de político autonomista respectuoso coa Constitución. E a continuación el mesmo pasou a eloxiar o texto legal e o respecto por el de Galicia. "Cando a Constitución se defende contra diferentes ameazas, estase defendendo a todos os que quixeron, queren e quererán vivir en liberdade", dixo, para engadir que "os galegos non nos limitamos a asumir a Constitución, senón que traballamos para que a Constitución asumise a nosa esencia; a Constitución está impregnada tamén dun constitucionalismo galego". Para Feijóo, "defender a Constitución é defender o conxunto de España, pero tamén defender a Constitución é defender Galicia, a súa identidade propia e a súa Autonomía e o seu autogoberno para participar nos asuntos de España". Na súa intervención, Feijóo tivo unha última lembranza para as vítimas do accidente de Angrois, que a esa mesma hora se manifestaban na praza do Obradoiro pedindo xustiza cinco anos despois do sinistro. Segundo o presidente, "Galicia seguirá tendo presente as vítimas de Angrois e non se sentirá reconfortada ata que o traballo xudicial remate e aclare que pasou e cales foron todas as causas do fatídico accidente". Feijóo lembrou que o propio acto de entrega das medallas foi adiantado un día desde o ano seguinte ao sinistro en homenaxe ás vítimas do Alvia, algo que estas rexeitan. Discurso de Feijóo na entrega das Medallas de Galicia 2018
NOS_51591
A banda do Val Miñor festexa a súa primeira década cunha compilación en vinilo que percorre diversos estilos sempre con letras reivindicativas.
Dakidarría poñen o colofón á xira do seu 10 aniversario con "10 anos na rúa", un vinilo compilatorio de 8 temas que inclúe unha versión do "A message to you Skacha" de Skacha, que xa incluíran no disco homenaxe aos vigueses polo XX aniversario "Canta historia na barriada... XX ANOS DE SKACHA" e unha versión de "1.000 berros" gravada en directo no Castañazo Rock de Chantada. Os do Val Miñor percorren nesta compilación os seus traballos discográficos nunha viaxe tamén polos estilos que a propia banda cultiva, punk rock, ska ou reggae con letras combativas e reivindicativas. Música que como eles mesmos din en "Terra", é do pobo e é para o pobo. É precisamente "Terra" un tema que xa foi empregado no reivindicativo "Lipdub pola Terra" gravado nas rúas de Vigo, o que abre o disco. Unha apertura elixida con toda a intencionalidade do que é a banda: Festa, Terra e Loita. No resto do disco vaise debullando a historia da banda, con temas como "Algo Ke Romper" do seu primeiro disco, "El futuro nunca existió", e pechando con "1000 berros", un himno de defensa da Terra que pecha o disco do mesmo xeito que foi aberto: con Galiza. O disco fica algo curto para ser unha compilación, xa que non chega aos 29 minutos e bótanse en falta temas como "Fragasurus Rex" ou a gravación da versión actualizada, como eles cantaran no Fragasaurus Fest: "Fragasaurus Dead", "Sigue ardiendo" ou "Despertar", pero non deixa de ser unha boa presentación do grupo para que non o coñeza, e un vinilo especial para conmemorar estes 10 anos na rúa, que agardo que sexan moitos máis. Listaxe de temas 1. Terra 2. A Memoria 3. A Mocidade Activa 4. Algo Ke Romper 5. El Futuro Nunca Existió 6. A Message To You Skacha 7. México 8. 1000 Berros Live Vídeo Clip. 1.000 Berros: Dakidarría na rede: Web Oficial: www.dakidarria.com. Facebook: www.facebook.com/dakidarria Twitter: @dakidarria Próximos concertos: 14 de febreiro. La Fábrica de Chocolate Club. Vigo. 13 de marzo. Sala Capitol. Santiago de Compostela 27 de marzo. Sala Super 8. Ferrol. 28 de marzo. Aturuxo. Bueu.
PRAZA_1117
Cada día morren 800 mulleres por causas relacionadas co embarazo e o parto. O 99% en países en desenvolvemento. O maior risco de mortalidade está nas adolescentes, menores de 15 anos
Parir é doloroso e perigoso. Ademais das secuelas que pode deixar no corpo da nai alimentar e albergar un corpo que pode alcanzar considerables dimensións, parir pode producir: hemorraxias intensas, trastornos hipertensivos ou septicemias despois do parto. Cada día morren 800 mulleres por causas relacionadas co embarazo e o parto. O 99% en países en desenvolvemento. O maior risco de mortalidade está nas adolescentes, menores de 15 anos. Neste momento, a nena de 10 anos, violada e embarazada, descubriu outros casos en Paraguai, onde, á violación cómpre sumar outra crueldade: a de non permitir o aborto, nin as autoridades nin os profesionais de xinecoloxía. Un horror! Fuxir do matrimonio, dos partos e posibilidade de morte era un dos motivos da reclusión nos conventos hai séculos. Teresa de Xesús lémbralle ás compañeiras de convento o protexidas que están na súa condición. En Europa aínda morrían moitas mulleres a causa do parto en épocas recentes. Nos s. XVII e XIX, seguían elevados os índices de mortalidade, mesmo na clase alta e culta, por febres puerperais. Escritoras de meu foron orfas por este motivo, como Marguerite Yourcenar, ou Mary Wollstonecraft Shelley, filla da gran intelectual feminista autora de Vindicación dos dereitos da muller, que faleceu despois do parto, morte que deixou un oco tan grande na conciencia da filla, que imaxinou a creación artificial do doutor Frankenstein, para resarcirse da morte natural da nai e das súas propias criaturas. O médico húngaro Semmelweis, traballando no Hospicio Xeral de Viena, na década de 1840, decatouse de que as mulleres ingresadas para dar a luz, que recibían visitas de médicos saídos do quirófano, ou da sala de disección, morrían un 40% máis. Comprendeu que era un problema de hixiene. Puxo un recipiente con auga e xabón á entrada da sala de parturientes e as mortes reducíronse. Pero, en lugar dunha homenaxe, recibiu un castigo polo seu descubrimento. Que fosen os propios médicos quen infectasen as pacientes foi moi mal acollido. Finalmente a asepsia foi aceptada, pero Semmelweis, pobre, desprezado, e ingresado nun psiquiátrico, ocasionouse unha septicemia que o matou. Isto din algúns. Outra versión afirma que morreu das malleiras que recibía. A historia do defensor da asepsia, que salvará tantas vidas, antes dos descubrimentos de Pasteur, Koch, e Fleming coa penicilina, é paradigmática e triste. 150 anos despois, a xefa de medicina preventiva do Hospital Xeral de Vigo, alerta: Os pacientes deberían pedir ao médico que se lave as mans. Un dos efectos adversos da hospitalización é a aparición de infeccións nosocomiais, as que se contraen no ámbito sanitario. En España poden chegar a falecer unhas 3 mil persoas por este tipo de infeccións. Hai unha solución hidroalcólica en cada cuarto, menos agresiva que a auga con xabón. As profesionais teñen que lavar as mans unhas 20 ou 30 veces ao día, cada vez que cambian de paciente. Convén lembrárllelo. Quen lle diría ao pobre Semmelweis que a ausencia de hixiene seguiría sendo mortal a estas alturas!
NOS_17026
O 21 de xullo o historiador Erik Carlsson-Brandt Fontán defendeu a súa tese de doutoramento. O traballo de investigación, baixo o nome 'Arqueoloxía do Poboamento Rural na Galiza Romana: as Villae e outras formas de ocupación do espazo (s. I-V d.C)', foi dirixido polos profesores Fermín E. Pérez Losada e José Manuel Caamaño (quen non puido ver os resultados da investigación tras falecer en 2019). O traballo desenvolveuse no eido da Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS).
-Podería explicar en que consistiu o seu estudo? O meu traballo de investigación para a obtención da tese doutoral tratou sobre o poboamento rural romano na Galiza. Basicamente, o traballo consistiu nunha recompilación masiva de todas as evidencias arqueolóxicas romanas no país. A partir desa recompilación collín todas as evidencias de poboamento disperso do mundo romano, que até o momento era un dos temas que menos estudado estaba. Normalmente a investigación céntarse no mundo castrexo e nas vilas romanas. A partir dese estudo das vilas analicei unha serie de elementos de menor entidade que aparecían ao longo do territorio. -Por que decidiu desenvolvelo sobre este tema? Nun principio eu orientara a miña tese nas vilas romanas, que é un tema moi clásico nas investigacións arqueolóxicas romanas. Esas vilas son, se fixésemos un paralelismo anacrónico, como os pazos señoriais. Contan cun nivel arquitectónico moi alto. Pódense diferenciar os espazos residenciais dos espazos económicos. O único que se facía antes era elaborar estudos tipolóxicos, comparación de planos... Cando comecei coa investigación das vilas romanas galegas, decateime que había outro tipo de asentamentos que non correspondían coa definición clásica de vila. Hai que entender que cando se atopa unha evidencia arqueolóxica romana catalógase automaticamente como unha vila. Decidín intentar ordenar e organizar toda a investigación feita até hoxe. -Como foi o proceso de traballo? O primeiro foi facer unha investigación bibliográfica sobre todos os traballos que se fixeran. A partir de aí, acudín ao inventario de xacementos arqueolóxicos da Xunta. Analicei ficha por ficha cada posíbel evidencia de asentamento romano. Pouco a pouco, recompilei máis de 2.000 entidades, que se reduciron tras facer varios peneirados até as 600 evidencias romanas que entraban dentro dos límites da miña investigación. -Que conclusións obtivo? Unha das conclusións que obtiven coa investigación é que, efectivamente, existen unha serie de xacementos que non se poden identificar como vilas romanas, así que os clasifiquei entre asentamentos primarios, secundarios e terciarios baixo unha serie de criterios arquitectónicos e de superficie. Normalmente existen paralelismos con xacementos que xurdiran noutras zonas como Portugal, Francia ou Inglaterra. Nestes lugares, esas construcións reciben diferentes nomes. Aquí na Galiza hai constancia deses asentamentos, mais a investigación arqueolóxica ten un límite, xa que non se desenvolven escavacións de área, senón que unicamente se escava no centro dos xacementos. Iso fai que non contemos cunha imaxe global deles. Intentei ser bastante cauto para non crear novas identificacións. Quixen marcar unha base para comezar a construír de modo organizado unha investigación sobre eses xacementos. O tecido rural romano é máis complexo do que críamos até o de agora. Co meu estudo puiden achegarme un pouco máis a esas formas que aínda están por investigar e coñecer. -Que importancia ten que dende as institución pública se fomenten estes estudos? Todos os estamentos somos partes dun mesmo xogo. A Xunta é a encargada da xestión e da protección de todos eses vestixios. As universidades e os centros de investigación deben encargarse de procesar toda a información obtida dos xacementos arqueolóxicos e plasmar esas conclusións en artigos. Toda ese traballo é fundamental para coñecer o pasado da Galiza.
NOS_15506
Uma exposição dedicada a Clarice Lispector e outra a Millôr Fernandes além de circo, teatro ou dança compõem o Ano do Brasil em Portugal, que decorrerá até o encerramento o 10 de Junho de 2013. Ao tempo, além-mar transcorre o Ano de Portugal em Brasil.
Iniciativas em moda, fotografia, cinema, ilustração ou artes do palco compõem o programa deste Ano do Brasil em Portugal que tem sede no Espaço Brasil, na Alcântara lisboeta, lugar em que soa fervo, samba, maracatu ou hip-hop de origem brasileira. Artistas como Alceu Valença (10, 11 e 12), Cidade Negra (18 e 19) e Milton Nascimento -na imagem-, acompanhado pela fadista Carminho (1 e 2 de Fevereiro) fazem parte dos nomes convidados a subir ao palco até Fevereiro junto a jovens artistas que venhem por concurso a Portugal.Além das duas exposições de fotografia que se abrem em Lisboa, a do foto-jornalista José Medeiros: Crônicas Brasileiras, na Fundação Portuguesa das Comunicações, a 16, e O Rio é uma Festa, no espaço BES Arte & Finança, a 17, Traçando o Brasil - 3 séculos de humor gráfico será uma cita de especial relevância no mes de Fevereiro no Museu de Arte Moderna de Sintra, um percorrido pelos cartoonistas de 1800 até a atualiade.O Tributo a Millôr Fernandes, na Fundação Mário Soares a partir de 19, e já em Abril a exposição Clarice Lispector - a hora da estrela, na Calouste Gulbenkiam de Lisboa que recolhe objetos e documentos da escritora serão citas incontornáveis deste ano. Mais de 60.000 pessoas participaram no Terreiro do Paço na abertura da programação no passado setembro e ao redor de 150.000 participaram nos eventos até fim de 2012. Uma amostra de poesia visual, outra de circo, dança e teatro no mes de Abril, Maio e Junho em Lisboa e Porto são alguns dos programas que ainda decorrerão no que fica de comemoração.