ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_1619
A mostra, que se pode visitar no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, está realizada a partir dos fondos da Fundación Fran Daurel.
"Mulleres. Entre Renoir e Sorolla", a mostra que se pode visitar no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, está realizada a partir dos fondos da Fundación Fran Daurel, unha institución privada que posúe unha das máis importantes coleccións do contexto español. A exposición percorre a imaxe da muller na pintura e escultura de finais do século XIX e primeiras décadas do XX a partir de exemplos de importantes creadores cunha representación ben relevante de artistas cataláns como Santiago Rusiñol, Ramón Casas, Manolo Hugué, Joan Llimona, Dionís Baixeras, Joaquim Vayreda, Hermen Anglada Camarasa ou Isidre Nonell, nómina á que se suman nomes tan destacados como Renoir, Joaquín Sorolla, Torres García, Pablo Gargallo ou Benjamín Palencia. Como se pode percibir cun repaso aos nomes dos artistas da exposición, estamos perante a representación do ollar masculino sobre a muller, de feito a pintura fin de século conforma un exemplo perfecto no que respecto ao papel da arte na creación e difusión de estereotipos femininos. Se o lugar do feminino estaba marcado pola estrutura social, era lóxico que os artistas asumisen esa ordenación. Neste senso, imaxes da muller aparentemente inofensivas reproducían os prexuízos compartidos pola sociedade en xeral e polos artistas en particular, aspectos que se podían percibir na estrutura visual e tamén no contido temático das obras. Hai, pois, unha faceta documental neste tipo de representación, velaí a referencia da presenza feminina nos espazos íntimos, cos seus silencios e a evocación dos "estados de ánimo", e nos ámbitos públicos, coa conquista de novos roles na vida comunitaria. Porén, tamén cómpre entender esta utilización do feminino como tema recorrente desde outras perspectivas. En moitos casos os artistas converten a muller en elo entre a tradición e a modernidade, sendo dominante a súa presenza en múltiples creacións. Moitos deles reutilizan os grandes temas pictóricos: a "Odalisca", as "Bañistas", as "Dúas amigas" etc., que lle serven de nexo coa tradición, permitíndolles conciliar o que hai de fugaz na modernidade, nos estilos modernos, co que hai de permanente na arte. O cal, é evidente, reforza o mito do eterno feminino, esa muller que fica allea á historia e se mantén cousificada. En conxunto "Mulleres. Entre Renoir e Sorolla" é unha mostra chea de suxestións e con obras de notábel calidade, que vai máis alá do que o título puramente comercial podería suxerir con esa referencia a dous pintores máis ou menos populares. O que nos ofrece é unha atractiva achega á imaxe da muller nun momento fulcral na mudanza de roles sociais e na transformación puramente estética. Mulleres. Entre Renoir e SorollaComisaria: Helena Alonso / Local: Museo de Pontevedra, Edificio Castelao / Até o 17 de outubro
NOS_44271
O BNG pide ao Seprona que investigue as causas da turbidez das augas do río ao seu paso por Calvos (Touro).
As augas do río Ulla baixan turbias á altura da parroquia de Calvos, no concello de Touro. Denúnciao o BNG deste municipio, que solicitou ao Servizo de Protección da Natureza que indague nos motivos de que "as augas baixasen toldadas" a comezos desta semana. Os nacionalistas lembran que nas inmediacións de onde se deu esta turbidez existen presas hidroeléctricas, polo que consideran que é de importancia que na actuación deses servizos se investigue se hai algunha relación. O proxecto de reactivar a mina de Touro e o seu impacto ambiental redobrou a sensibilidade ambiental entre a veciñanza da zona, máis atenta agora a calquera posíbel agresión ao medio.
NOS_10244
O Pórtico da Gloria brilla. Igual pero distinto, memorábel e abraiante, a xoia do románico aparece, após case dez anos de traballos, cun esplendor diferente. Inédito. As súas recuperadas policromías amosan a antiga fachada da Catedral de Santiago dunha maneira absolutamente nova. Como resucitada.
En 2009, o Programa Catedral de Santiago —sufragado pola Fundación Barrié con máis de 11 millóns de euros e coordinado por Ana Laborde— iniciou os diagnósticos que conduciron á restauración do Pórtico. Seis anos despois, montouse o andamio e comezou "a intervención directa sobre os materiais". Segundo indican desde a Barrié, a decisión de intervir sobre o emblemático lugar adoptouse debido ás "evidencias do seu dramático deterioro, acelerado nos últimos dez ou quince anos". As probas manexadas, sobre todo material fotográfico, levaron o equipo de restauradores e restauradoras a considerar "urxentes" os traballos. "Estabilizouse o conxunto e preservouse a policromía que aínda se conserva", sinalan na fundación, "dun risco inminente de perda definitiva, conservándoa para futuras xeracións". Policromías, sería máis axustado dicir. As tres fases Porque na representación de apóstolos e profetas, do Xuízo Final e outras escenas do Antigo Testamento, obra do Mestre Mateo —e outras tres mans, como mínimo, segundo os estudosos—, houbo polo menos tres fases diferentes de coloración. Todas en óleo. A primeira man de pintura data do Medievo. É dicir, da época en que se construíu o Pórtico —entre 1168 e 1188. "Dela consérvanse bastantes vestixios", informa a Fundación Barrié na nota de prensa en que anunciaron o remate das obras hai tres días, "como se pode aprezar no anxo que porta a columna ou nos que portan a cruz". Cada unha das esculturas foi examinada no lugar mediante "microscopía estereoscópica". Albaialde, lapislázuli, vermellón, pigmentos de terras, pigmento laca vermella, resina de cobre, acetato de cobre, carbón negro vexetal e negro de ósos, "sempre amalgamado con aceite de liño", eran os materiais cos que pintaron esa primeira policromía. Houbo que agardar ao Renacemento, cando se modificou por primeira vez a portada exterior da basílica, para a segunda intervención de cores. Foi no século XVI e supuxo a decoración de mantos e túnicas con brocados aplicados, técnica de orixe flamenca. A terceira policromía foi no século XVII. É a que se atopa máis visíbel na actualidade, achegou "un carácter barroquizante" e entre os autores atopábase Crispín de Evelino. Este artista policromou rostros, mans e pés en 1651. Deixou constancia nun documento, depositado no arquivo da catedral e que constitúe "o único documento que se conserva sobre as policromías do Pórtico da Gloria". Desde aquela, houbo "policromados parciais" destinados a reparar "as zonas máis degradadas". A restauración que agora se presenta seguíu "criterios de intervención moi conservadores. Mantivéronse todos os restos de cor conservados e retiráronse unicamente os depósitos nocivos acumulados sobre a superficie e que poden afectar a estabilidade dos materiais históricos". Nota: detalles da restauración do Pórtico da Gloria. Fotos: Fundación Barrié.
PRAZA_20469
A disparatada petición da fiscalía da Audiencia Nacional -50 anos de cadea para cada un dos 8 procesados por agresión a dous gardas civís en Alsasúa- revela que a sombra de ETA segue estando presente nunha parte das instancias da arquitectura estatal.
A disparatada petición da fiscalía da Audiencia Nacional -50 anos de cadea para cada un dos 8 procesados por agresión a dous gardas civís en Alsasúa- revela que a sombra de ETA segue estando presente nunha parte das instancias da arquitectura estatal. Semellante desproporción punitiva só pode ser explicada a partir do suposto de que o ministerio fiscal considera que tal organización segue operativa e que os sucesos acontecidos na vila navarra formaban parte dunha acción planeada dende a mesma. No ano 2011 ETA anunciou o remate unilateral da súa acción violenta. A pesar de que tal decisión non foi acompañada dunha iniciativa específica sobre o seu desarmamento nin concretaba un prazo determinado para a súa disolución, resultaba indiscutíbel que ETA renunciaba á negociación política que sempre esixira como condición indispensábel para non seguir coa súa actividade.Dende esta perspectiva, a organización recoñecía implicitamente a súa derrota. Son varios os factores que permiten entender o desenlace que comezou hai mais de 5 anos. Ademais da forte e continuada presión policial e xudicial desenvolvida polas Administracións española e francesa, ETA padeceu unha notábel perda de apoio naquela parte da sociedade vasca que xustificaba a súa existencia e/ou compartía as reivindicacións fulcrais que tiña formulado nas últimas décadas.A constatación de que non posuía a fortaleza necesaria para provocar un proceso formal de negociación que posibilitase a consecución -sequera parcial- dalgún dos obxectivos prantexados, tivo como consecuencia a aceitación dunha fórmula de retirada unilateral sen contrapartidas políticas. Certamente, ETA demorou moito a toma de conciencia sobre a súa crecente debilidade. Instalada nun universo moi pechado non foi quen de percibir os cambios rexistrados na sociedade vasca. O propio Otegi recoñeceu, recentemente, que a esquerda abertzale ignoraba esa parte decisiva da realidade. Nesa grave eiva talvez influíu a lóxica resistencia na aceitación dun balance moi duro:varias décadas de utilización da violencia cun elevado nivel de dano humano asociado á mesma non conseguiron mais que a consolidación dunha forza política que recibe arredor do 20% dos votos emitidos. A comparanza co sucedido en Catalunya ou mesmo na Galiza resulta significativo: en ambas nacións hai forzas nacionalistas que acadaron igual ou superior influencia electoral sen mediar o fenómeno do emprego sistemático da violencia con obxectivos políticos. E iso sen incorporar unha avaliación ética do que supón practicar a loita armada nun contexto social no que non hai un consenso maioritario sobre a pertinencia de tal uso. Aínda que a disolución formal de ETA fica pendente, será inevitábel nun futuro non moi lonxano. Daquela, seguirá o debate que xa comenzou nestes últimos meses:cal debe ser o relato histórico do sucedido dende os anos 50 do pasado século? É posíbel construír unha única versión sustentada nun amplo acordo social? Polo momento, non se verifica un acordo unánime na sociedade vasca a respecto desa tráxica vivencia colectiva. Máis alá dos desexos dunhas ou doutras persoas, non resultaría realista aspirar a semellante consenso sen agardar a existencia dunha maior distancia temporal. Polo demais, as pretensións dos sectores vinculados ao PP demostran unha hipocrisía palmaria: os mesmos que seguen profesando unha visión partidista sobre as causas e os efectos da guerra civil, esixen unha coincidencia na análise da xénese e desenvolvemento da violencia etarra.As urxencias que exhiben para este caso, desaparecen cando se trata de avaliar o drama rexistrado nos anos trinta do pasado século. Mirar para o futuro sen esquecer o pasado: un criterio que resulta mais necesario que nunca para asegurar unha convivencia democrática en Euskadi.
NOS_13808
Na última década a porcentaxe de fogares nos que os salarios son máis de 50% dos seus ingresos totais diminúe 4,89 puntos.
45,3% dos fogares galegos teñen como fonte principal de ingresos os salarios mentres que os que teñen como fonte principal as prestacións son 43,78%. Os fogares que teñen como fonte principal o traballo por conta propia non chegan a 10%. Son dados do Instituto Galego de Estatística (IGE). En 44,49% dos fogares galegos os salarios representan máis da metade dos ingresos totais do fogar, mentres que en 32,74% os salarios representan máis de 75% e só en 24,20% os ingresos constitúen a totalidade de ingresos do fogar. Se analizamos estas porcentaxes para os anos 2007 e 2017 en Galiza a porcentaxe de fogares nos que os salarios son máis de 50% dos seus ingresos totais diminúe 4,89 puntos en todo o período, mentres que a porcentaxe de fogares nos que as prestacións son máis da metade dos seus ingresos aumenta 6,04 puntos porcentuais.
NOS_53827
O exemplar deixouse ver durante varias horas.
Na Galiza, cun extenso pasado no sector baleeiro, cada vez é máis estraño atoparse con exemplares deste gran mamífero acuático fronte ás nosas costas. Porén, seguen sendo varios os testemuños de turistas ou de mariñeiros que cada ano se poden ler nas redes. A pastorear baleas na Galiza Neste caso, un usuario de Twitter compartiu un vídeo dun xibardo ou balea xibardo, fronte á liña de costa de Estaca de Bares. Nos vídeos que gravou esta persoa, pode verse o animal "saltando" entre as ondas do mar para volver a mergullarse na auga. Hoy en Estaca de Bares, una yubarta: pic.twitter.com/qWVQPMIOk3— Antonio Sandoval (@ASandovalRey) September 1, 2022 "Estivo saltando e golpeando o mar coa cola durante dúas horas", explicou nun segundo chío, no que tamén compartiu outro vídeo da balea. Dúas baleas mortas nas costas galegas en 24 horas A imaxe compartida por este usuario tivo unha importante repercusión nas redes sociais, con máis de 33.000 reproducións e 764 "gústame". Mesmo outro usuario de Twitter, que comentou no chío inicial, especulaba coa posibilidade de fose o mesmo xibardo que días atrás foi avistado fronte ao municipio asturiano de Llanes. A balea xibardo A balea xibardo, Megaptera novaeangliae, é unha das variantes máis coñecidas de balea a nivel mediático. Cunha lonxitude aproximada de 17 metros e un peso de até 40 toneladas, non é das baleas máis grandes que existen, mais segue sendo impoñente comparada co ser humano. Unha curtametraxe rescata a época na que na Galiza se cazaban baleas O seu elemento físico máis característico é o seu lombo, que ten unha forma semellante á dunha xiba (de aí o nome de xibardo). Adoitan ser animais solitarios, aínda que soen acompañar outros grupos de cetáceos, sen chegar a estabelecer contacto con eles. Estuvo saltando y golpeando el mar con la cola durante dos horas. pic.twitter.com/ZnQQW0Qzmg— Antonio Sandoval (@ASandovalRey) September 1, 2022 Os xibardos son unha especie protexida desde 1967. No ano 2008, os biólogos estimaban que a poboación de exemplares variaba entre os 30.000 e os 65.000 exemplares.
PRAZA_2887
Os populares galegos perden máis de 200.000 votos a respecto das xerais de 2011 e fican por baixo do que ata agora fora o seu menor número de escanos por Galicia.
O presidente do PPdeG e da Xunta formulara o obxectivo ás claras: maioría absoluta de escanos ou, o que é o mesmo, 12 dos 23 que se elixen polas catro circunscricións galegas. Fíxoo en precampaña e reiterouno despois de coñecer os datos da sondaxe do CIS que, ás portas da campaña, lle outorgaban 10 escanos aos seu partido, exactamente os mesmos que acabou por conseguir e que fan retroceder a formación aos tempos nos que as súas siglas eran aínda as de Alianza Popular de Galicia, pero con menor representación parlamentaria. Dende que, nas eleccións de 1982, UCD deixou de ser unha peza central no taboleiro político do país, o solo dos populares en canto a representación no Congreso polas circunscricións galegos estaba en 11 escanos, os acadados en 2008 nos comicios tras os que José Luis Rodríguez Zapatero foi investido presidente por segunda vez. Non obstante, naquela ocasión os conservadores superaban os 800.000 votos, máis do 43% do total, e desta volta están un chisco por baixo dos 600.000 sufraxios e roldan o 37% do apoio cidadán. O menor número de deputados para o PPdeG fora en 2004, con 11, pero daquela superaban os 800.000 votos e desta volta non chega aos 600.000 Así as cousas, o PP deixa polo camiño máis de 200.000 votos a respecto dos anteriores comicios xerais e non cabe concluír que todos pasasen a Ciudadanos, formación que estrea representación por Galicia con algo menos de 145.000 sufraxios. Por circunscricións, onde mellor resisten os populares é en Ourense, provincia na que, así e todo cae once puntos, ata o 45%, e perde un escano. Na outra provincia do interior o PP lucense fica no 42% tras perder uns 24 puntos e un escano que, como no caso ourensán, gaña En Marea. A circunscrición con menor apoio porcentual ao PPdeG pasa a ser Pontevedra, a provincia de Mariano Rajoy e Ana Pastor, onde o 34% dos votos supón unha caída de 16 puntos e un posto no Congreso. Na provincia pontevedresa o partido de Feijóo logra, non obstante, un dos seus obxectivos da campaña: reter o terceiro escano e asegurar o posto no Congreso para a actuar presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, unha das dirixentes do PPdeG máis próximas a Rajoy. Feijóo: "Era imposible repetir resultado" Feijóo enmarca as cifras acadadas polo PPdeG nas "eleccións máis difíciles para o PP na súa historia". "Hai catro anos -dixo na súa comparecencia en Compostela- tivemos un resultado histórico e sabiamos que era imposible obter ese resultado". Non obstante, e malia á abrupta caída, o titular do Goberno galego aférrase ao feito de manterse como "o partido máis votado" e estar "doce puntos por riba da segunda forza, que é Mareas de Podemos", denominación que empregou para En Marea durante toda a súa intervención. "É verdade -evidencia Feijóo- que perdemos apoio" e por iso, afirma, "imos seguir renovándonos para chegar a máis xente" nun contexto de "autocrítica", pero de "vitoria". En calquera caso, resalta o presidente, o que "máis nos preocupa" é "a gobernabilidade" dun Estado que "lle corresponde gobernar" a Mariano Rajoy, di, para lograr a "estabilidade" que o seu propio Executivo, ao seu xuízo, segue a representar en Galicia.
NOS_12024
Os niveis de persoas que levan no desemprego máis dun ano sen atopar traballo sitúanse á altura de Bulgaria, Romanía, Grecia ou o sur de Italia. Temos seis puntos máis de persoas en paro de longa duración que a media española (44,5%) e que a Unión Europa (45%).
Galiza é un dos tres territorios da Península Ibérica con maior porcentaxe de persoas paradas de longa duración, é dicir, persoas que levan máis dun ano sen atopar traballo. Un de cada dous galegos e galegas rexistradas no desemprego está nesa situación, o 50% do total de persoas no paro no noso país. Só Asturies (50,2%) e a rexión norte de Portugal (55%) presentan peores rexistros que Galiza. Son dados incluídos no último anuario rexional que elabora Eurostat (Oficina de estatística da Unión Europea), correspondente a 2018. Nese mapa europeo Galiza aparece tinxida de laranxa, a cor coa que se designan aquelas rexións onde o paro de longa duración supera 50%. Unha cor que se percibe principalmente en zonas de Romanía, Bulgaria, Sur de Italia, Grecia e as zonas da antiga República Democrática Alemá. Os dados recollidos no anuario indican que perto de 98.000 persoas na Galiza estaban en paro de longa duración. Son dados correspondentes a 2017. Desde aquela a situación mudou na cifra, mais non na porcentaxe. No inicio do presente ano o paro de longa duración atinxía na Galiza 71.600 persoas, case a metade das que están rexistradas no desemprego no noso país, 148.000. Ademais, 50.700 levan sen atopar traballo un mínimo dous anos. En 2018 a metade das persoas rexistradas no desemprego no noso país eran paradas de longa duración, un peso que se mantén. Así pois, temos seis puntos máis de persoas en paro de longa duración que a media española (44,5%) e que a Unión Europa (45%). A comezos da crise o paro de longa duración non chegaba a 3,5 e agora está por riba de 6%. Catro de cada dez persoas no paro na Galiza levan máis de dous anos nesa situación, máis un sinal da cronificación do problema.
PRAZA_12598
Non son equiparábeis as figuras de Spinoza e Torres Queiruga. Pero si quero lembrar hoxe as súas actitudes de rebeldía e inconformismo, porque ese espírito sempre foi fonte de riqueza, de novas ideas, de novos azos. Agora ben: tampouco é prudente deixarse levar pola ruptura en si mesma, hai que fiar ben, definir con clareza que se quere facer e demostrar á sociedade que se aporta algo novo, e non simplemente se destrúe o xa vello.
Toda apostasía ten o seu aquel. Un momento máxico, de lucidez; vertixe, O abismo. Os monstros que están á espreita para ver de te atrapar. En situacións como esta sempre me vén ao acordo a figura de Baruch de Spinoza, ese austero pulidor de lentes de orixe marrá (nome co que se facía referencia a aqueles xudeus ou musulmáns que na Península Ibérica xa dominada pola barbarie e a intolerancia relixiosa se dicían cristiáns, pero nos seus adentros aínda seguían a profesar a súa vella fe). Mentres o pai de Spinoza vivía, este último cumpriu (cando menos externamente) coas súas obrigas relixiosas. Mais unha vez falecido, a súa heterodoxia doutrinaria agromou con forza. Aínda que as autoridades xudeas de Amsterdam procuraron evitar o escándalo da apostasía do fillo dun antigo e respectado xefe da súa comunidade, o desenlace final non tardaría en producirse: o 26 de xullo de 1656, tendo Baruch de Spinoza vinte e catro anos, foi excomungado solemnemente e expulsado da Sinagoga. Para evitar a súa presenza incómoda en Amsterdam, a comunidade xudea coaccionou as autoridades (calvinistas) para que o expulsasen da cidade. Tras un breve refuxio en Ouwerkerk, Spinoza haberíase de establecer na Haia, onde o seu modesto oficio de pulidor de lentes, amén dunha firme vontade de "perseverar no seu ser", permitíronlle gozar de plena independencia para desenvolver o seu pensamento. Podemos situar a Torres Queiruga nas coordenadas da teoloxía da liberación; sempre proclamou practicar unha teoloxía positiva, en diálogo permanente e que nunca pretendeu cuestionar a interpretación tradicional da fe Mergullado na pescuda biográfica do filósofo panteísta atopeime coa sorpresa da condena (eufemisticamente "notificación") que a Congregación para a Doutrina da Fe lle fixo ao teólogo Andrés Torres Queiruga. Son casos ben diferentes, mais atraeume a rebeldía do primeiro e o espírito inconformista do segundo. Podemos situar a Torres Queiruga nas coordenadas da teoloxía da liberación; sempre proclamou practicar unha teoloxía positiva, en diálogo permanente e que nunca pretendeu cuestionar a interpretación tradicional da fe. Agora ben: evidentemente, para algunhas maneiras de entender a fe calquera raiola de pluralidade e diferenza van ser vistas con receo. Consultar os seus escritos sobre a Igrexa e atoparnos, de entrada, con referencias á falta de democracia (no sentido moderno do termo) no ámbito eclesiástico é unha boa mostra do seu pensamento. Desde os grupos cristiáns de base achacanlle á curia condenar todo canto ignoran e querer controlar toda a razón e o Espírito na Igrexa Tal e como moitos defensores decididos do dogma tradicional da Igrexa católica están a mostrar o seu rexeitamento á figura de Torres Queiruga (non sen caer tamén en vellos tópicos anti-galegos por ter escrito a súa obra teolóxica en galego, e iso que se trata dun dos poucos teólogos españois da actualidade traducidos ao alemán), tamén son moitos os apoios recibidos por Torres Queiruga desde os movementos cristiáns de base. A parte de ter considerado "irregular" todo este proceso ao que foi sometido o teólogo galego, desde os grupos cristiáns de base achacan á curia condenar todo canto ignoran e querer controlar toda a razón e o Espírito na Igrexa. Botan tamén en falta, por parte dos bispos españois, unha actitude de maior compromiso cos necesitados, xusto nestes momentos de tanta dificultade. Non podo máis que lembrar como o goberno español non aplicou os recortes á Igrexa Católica, senón que esta vai seguir recibindo miles de millóns de euros Ao escribir estas verbas non podo máis que lembrar como o goberno español non aplicou os recortes á Igrexa Católica, senón que esta vai seguir recibindo miles de millóns de euros, ben sexa en subvencións directas, doazóns económicas, cesións de terreos e exencións de impostos (IBI). Madía leva o da condena a Torres Queiruga! A vaquiña polo que vale, meus amigos e amigas! A pela é a pela, e o demais son contos! Iso si: que non amolen moito, que queden ben e sexan entretidos. Pero levar á práctica o que se predica… ai iso… Tampouco é prudente deixarse levar pola ruptura en si mesma, hai que fiar ben, definir con clareza que se quere facer e demostrar á sociedade que se aporta algo novo, e non simplemente se destrúe o xa vello Non son equiparábeis as figuras de Spinoza e Torres Queiruga. Pero si quero lembrar hoxe as súas actitudes de rebeldía e inconformismo, porque ese espírito sempre foi fonte de riqueza, de novas ideas, de novos azos. Agora ben: tampouco é prudente deixarse levar pola ruptura en si mesma, hai que fiar ben, definir con clareza que se quere facer e demostrar á sociedade que se aporta algo novo, e non simplemente se destrúe o xa vello.
NOS_32810
Manuel Veiga Taboada presenta no seu novo libro Galicia contada aos non galeguistas, unha obra divulgativa de carácter histórico que xoga cos tópicos para procurar respostas sobre a nosa identidade.
Por que as galegas somos conservadoras? Por que a terra tivo tanta importancia e por que o campesiñado foi acusado de malicioso e litigante? Por que somos un pobo emigrante e, ao tempo, unha fábrica de ministros? Estas son algunhas das evocativas preguntas que responde o último libro de Manuel Veiga Taboada (Monforte, 1960), baixo a premisa Galicia contada aos non galeguistas (Xerais, 2020). A idea do texto acompañábao desde había tempo, pois detectaba un oco. Na súa contorna máis próxima, apreciaba que a rapazada de bacharelato de Vigo igual nunca fora á Coruña, "cando en moitos casos viaxara ao estranxeiro". Para alén dunha mostra das contradicións dese sistema globalizado polo que resulta máis barato desprazarse de Santiago a Londres que a Viveiro, este exemplo ilustra un descoñecemento da Galiza que Veiga ve tamén nas persoas adultas. Ao tempo, o autor entende que existe unha produción inxente de libros de historia, mais que fican "no eido universitario, non chegan á xente común, porque son densos e hai que ter, en moitos casos, unha formación para lelos". "Hai un baleiro de obras divulgativas na Galiza", valora. Para contribuír a enchelo, era a súa intención pór a disposición do público un libro "pequeno, que se le nunha hora, feito dunha maneira clara, con datos, que tratase temas principais para comprender o país". Dos prexuízos aos tópicos Veiga enfrontaba ademais outro prexuízo: "Parece que cando falamos da Galiza son cousas escritas por nacionalistas que se dirixen tamén a nacionalistas, como nun círculo fechado". A súa intención era rachar con iso, cun texto "sen ideas preconcibidas" que procura un público máis amplo. Por iso, Galicia contada aos non galeguistas é un ensaio construído en clave divulgativa, que se afasta da abordaxe humorística de Do G ao Z (2012) -fóra dalgunha fina ironía que puidese ter escapado- nun traballo moi documentado, pero cunha embalaxe que procura agarrar a atención do lectorado, cunhas vistosas ilustracións de Jano. De contido fundamentalmente histórico, a estrutura segue certa liña cronolóxica, mais artellada arredor dos tópicos. Porque se ben "son falsos, tamén teñen algo de verdade, e ás veces resultan moi interesantes", comenta. "Galeguista, para a maioría da xente, é case como un termo etnográfico", afirma Veiga Veiga non evita entrar en temas que poidan xerar debate ou polémica, como a existencia dos celtas ou do Reino da Galiza. Así, as preguntas que hoxe serven de gancho estaban tamén na xénese da obra, nesa procura por ofrecer respostas argumentadas, moitas das cales se basean nos estudos previos do autor, que xa tratara boa parte dos asuntos, desde unha vertente académica, na súa tese de doutoramento. Igualmente, Veiga agradece o libro a tres historiadores que para el foron fundamentais: Anselmo López Carreira, Xoán Carmona e Ramón Villares. Esa ambigua escada Se cadra unha das cuestións máis complexas de responder foi a que aborda no capítulo "A ambigüidade da escaleira ten solución", para dar saída ao tópico de que as galegas non saben se soben ou se baixan. Veiga parte da hipótese de que se debe á época da Restauración, cando para calquera tema administrativo había que acudir aos despachos de Madrid. "A dúbida xurdía ás veces nas escaleiras, porque te atopabas con outra persoa, en ocasións tamén galega, que podía ir preguntar polo mesmo e interesarche unir forzas, ou ao revés", resume. Esa ambigüidade -ti subías ou baixabas?- vén do "disimulo para obter máis información, igual que esoutro tópico de responder cunha pregunta". Para o autor, isto ten que ver cunha sociedade centralizada, na que todo se resolvía na capital do Estado e na que a democracia e os dereitos da cidadanía non estaban asentados. "Xogábase moito co engano. Iso aínda segue existindo, o caciquismo móvese con esas claves", explica. Contra o atraso Outro dos tópicos que matiza no libro, seguindo a Carmona, é o suposto atraso do país. "Galiza foi atrasada, pero non tanto como se considera", explica Veiga. Alude neste senso á importancia da produción agroalimentar. "Galiza foi unha grande exportadora de carne a Inglaterra", por exemplo, así como ás cidades de España, de man dos Fernández. Da mesma maneira, a produción de millo, hoxe esquecida "no pintoresquismo dos hórreos", representou "unha historia moi importante, o cultivo a grande escala supuxo unha enorme riqueza e un aumento da poboación". Sinala o autor que chegamos a producir a metade do millo do Estado. "Aquí non había crianzas mal alimentadas, Galiza sempre foi unha despensa", engade. "Aquí non había crianzas mal alimentadas, Galiza sempre foi unha despensa", engade Veiga Noutro alarde de curiosidade, o asentamento da Citröen en Vigo debeuse a dúas razóns. A máis coñecida, que era porto marítimo e facilitaba a exportación. Pero tamén porque se inaugurou o encoro de Belesar, que permitiu a subministración de enerxía de maneira segura. De facto, a caída do fluído eléctrico en Madrid resolveuse grazas a outro encoro galego, o de Santo Estevo (Ribas de Sil). Estas pílulas informativas son a estratexia coa que o libro de Veiga combate o descoñecemento no que se fundamenta unha visión pintoresca da Galiza, que parte do século XIX e segue predominando en boa parte da poboación. "Galeguista, para a maioría da xente, é case como un termo etnográfico. Non o ve mal, pero é como se te preocupases por algo agrícola, antigo, que se mira con paternalismo", explica.
NOS_41928
Deixa a súa acta de deputado do Grupo Común da Esquerda. A seguinte na lista é afín ao portavoz de En Marea, Luís Villares.
O deputado de Común da Esquerda Manuel Lago formalizará esta terza feira a súa marcha do Parlamento da Galiza para ocupar un cargo no Ministerio de Traballo que dirixe Yolanda Díaz. Segundo fontes consultadas por Europa Press, Lago comunicará oficialmente a súa saída da Cámara galega hoxe, xornada na que se reúne a Mesa do Parlamento antes da realización da xunta de portavoces que elaborará a orde do día do próximo pleno ordinario. A Mesa é o órgano da Cámara encargado de xestionar os escritos de renuncia dos deputados, polo que a remuda de Lago como deputado podería tomar posesión do seu asento no hemiciclo no pleno ordinario previsto para a semana que vén. Deste xeito, a acta do economista vinculado ao sindicato Comisións Obreiras podería acabar no grupo mixto, xa que recaería en Mariló Candedo, seguinte da lista pola Coruña coa que o partido instrumental En Marea concorreu ás autonómicas de 2016. Candedo, ex decana da Facultade de Ciencias da Educación da UDC, é afín ao portavoz de En Marea, Luís Villares, polo que, de asumir a acta de parlamentaria, previsiblemente solicitará a súa inclusión no mixto, o que deixaría cun deputado menos a Común dá Esquerda, que actualmente conta con dez. De ser así, o mixto pasaría a estar integrado por cinco deputados e deputadas, limiar que fixa o regulamento da Cámara galega para articular un grupo parlamentario. Con todo, o regulamento tamén regula como se conforma e, aínda que Villares e os seus poden tentalo e alegar, vetaría en principio que, aínda sumando, se constitúan como grupo propio. E é que o artigo 23 do regulamento do Parlamento galego recolle que a constitución inicial de grupos parlamentares farase dentro do cinco días seguintes á sesión constitutiva do Parlamento, é dicir, ao arranque da lexislatura, mediante escrito dirixido á Mesa da Cámara. No artigo 25 engádese que os deputados e deputadas que adquiran a súa condición con posterioridade á sesión constitutiva do Parlamento deberán incorporarse a un grupo parlamentario (dos existentes) dentro do cinco días seguintes a esta adquisición. Xa no artigo 26 do regulamento faise constar que, iniciado un novo período de sesións, os deputados poderán incorporarse ao grupo parlamentario que desexen dos constituídos. Precisa que "só para o suposto" de que "por calquera circunstancia extinguísese ou finalizase a actividade do partido ou coalición electoral" polo que concorresen --non é o caso de En Marea, que segue funcionando como partido--, podería
PRAZA_5281
AGE denuncia que o Goberno galego mantén unha actitude "cruel, mediocre e arrogante" ante o incremento da pobreza en Galicia. Juan Fajardo denuncia que dende que unha persoa solicita a RISGA até que recibe algún ingreso poden pasar máis de seis meses.
"Cruel, mediocre e arrogante". Deste xeito define AGE a actitude que o Goberno galego mantén ante o incremento da pobreza en Galicia, mentres "só é sensible" cos grandes empresarios e banqueiros. Asegurouno o deputado Juan Fajardo este xoves nunha rolda de prensa na que denunciou que ao longo de 2013 a Xunta deixou sen executar o 42 por cento do orzamento destinado a axudas sociais de emerxencia e o 36 por cento da partida de Axudas e subvencións de servizos sociais. Fajardo denunciou tamén "o colapso que se está a vivir nos departamentos de servizos sociais nos concellos que está a provocar que desde que unha persoa acode ao seu municipio para solicitar a Renda de Integración Social de Galicia e o momento no que se abona esta axuda están a transcorrer seis e sete meses deixando a estas persoas sen ningún tipo de ingreso durante todo este tempo". "Semella que para o PP unha persoa é capaz de sobrevivir sen comer durante máis de medio ano, habería que lle deixar sen ningún tipo de ingreso nin aforro algún ao señor Feijóo durante seis meses a ver se era capaz de sobrevivir" sinalou Fajardo. "As consecuencias destes retrasos están a levar aos afectados a situacións límite como é o caso da muller de Vilagarcía que iniciou hoxe unha folga de fame que leva dez meses esperando a que se lle trámite a solicitude desta axuda" -engadiu- "os gobernos do Partido Popular apresúranse a rescatar a banca, as autovías, as grandes empresas. Pero cando son persoas as que precisan ser rescatadas optan por mirar cara outro lado ou negar a realidade". O deputado lembrou tamén a discusión mantida a semana pasada na cámara polo Alberto Núñez Feijoo e a viceportavoz do seu grupo, Yolanda Díaz, na que o presidente da Xunta desprezou os datos achegados por Cáritas nas que esta entidade alertaba da existencia de 650.000 persoas en situación de exclusión social en Galicia, 120.000 delas en pobreza severa. Unhas declaracións que se unían a outras realizadas noutros momentos, nos que o Executivo chegara a asegurar que en Galicia "ninguén pasa fame". Nesa intervención de Núñez Feijoo xustificou Fajardo o apelativo de "arrogante" para o Goberno popular, que se unía aos cualificativos de "cruel pola evidente falla de humanidade ao nin se inmutar ante os milleiros de persoas que se atopan nunha situación crítica" e "mediocre pola súa incapacidade xa non só para poñer fin a este tipo de situacións senón de evitar incluso que se incrementen os casos de xeito alarmante día tras día".
PRAZA_820
A comunicación política é a ferramenta máis útil da que dispoñen os responsables públicos para que as súas ideas cheguen á sociedade. É comunicación indirecta, xa que os medios de comunicación fan de intermediarios. Vivimos na democracia centrada nos medios. A forte repercusión desta mediación xerou certa desconfianza entre os tres actores deste proceso: o político, o xornalista e o cidadán
A comunicación política é a ferramenta máis útil da que dispoñen os responsables públicos para que as súas ideas cheguen á sociedade. É comunicación indirecta, xa que os medios de comunicación fan de intermediarios. Vivimos na democracia centrada nos medios. A forte repercusión desta mediación xerou certa desconfianza entre os tres actores deste proceso: o político, o xornalista e o cidadán. O primeiro pensa que o xornalista é pouco obxectivo para analizar o que sucede, o segundo pensa que o político non lle conta toda a verdade e o cidadáns é consciente de ambas posibilidades. O político pensa que o xornalista é pouco obxctivo, o xornalista que o político minte e o cidadán é consciente de ambas cousas Cando Napoleón deixou a illa de Elba e se trasladou a Francia para fundar o Imperio dos Cen Días, un periódico de París, O Constitucional, titulaba: "O sanguinario ogro abandonou a súa tobeira". Poucos días máis tarde, cando o francés desembarcara na costa mediterránea, no diario podía lerse "O bandido de Córcega está en Francia. Cando Napoleón chegou a Grenoble o titular foi "Bonaparte encamíñase a París". Tres días máis tarde "Napoleón prosegue o seu avance triunfal". O penúltimo titular foi "Mañá fará entrada en París o emperador". O derradeiro "A súa Maxestade Imperial chegou á capital dos seus Estados". As mensaxes vanse adecuando ao achegamento do mandatario. Polo tanto, o poder político opera de condicionante. Á marxe do inadecuado de expresións como "sanguinario ogro" ou "bandido de Córdega", a elaboración das mensaxes xornalísticas ten que achegarse á realidade dos feitos e a interpretación destes non pode modificarse pola conveniencia ante unha nova situación política. Os responsables últimos de que o cidadán reciba unha intermediación honesta son os xornalistas, e para isto deben tirar de código deontolóxico e profesionalidade. Daquela, cales son as limitacións éticas na comunicación política? Que é a obxectividade? A primeira acepción do diccionario é a seguinte: Calidade daquilo que existe independentemente do espírito. É dicir, o suxeito debe abandonar todo valor social que poda condiciónalo para ter unha perspectiva que lle permita chegar a conclusións xerais de aplicación universal. Pero vaia, que isto é imposible. O que é a obxectividade é a forma ética que un xornalista ten para enfrontarse a un feito noticiable. Un xornalista non pode saír de si mesmo, é dicir, é imposible ignorar as vivencias persoais que, en última instancia, son as que determinan como interpreta a realidade. Ademais, a interpretación é, precisamente, o que lle dá calidade ao xornalismo. Ao que debe aspirar un xornalista é a unha neutralidade honesta. Claro que para iso é imprescindible a independencia do medio de poderes económicos e políticos. O xornalismo nunca debe esquecer a súa función social e, precisamente, a imparcialidade tamén pode ser un recurso para o incremento do prestixio e, como consecuencia disto, dos ingresos. Polo tanto, unha achega honesta á obxectividade podería ser economicamente rendible. A achega honesta á obxectividade tamén é economicamente rendible Pulitzer VS Hearst O termo amarelismo provén das tiras cómicas chamadas "the yellow kid" que publicaban o World e o Journal en New York no século XIX. O Journal estaba dirixido por Randolph Hearst e o World por Joseph Pulitzer. Ata a aparición de Hearst, Pulitzer gozaba dun gran prestixio. Puxera en práctica un novo xeito de facer xornalismo unha linguaxe moderna e titulares curtos e impactantes. Mesmo fundou a Facultade de Xornalismo da Universidade de Columbia que foi a que, anos despois, instaurou o premio xornalístico máis famoso do mundo. A chegada de Hearst co seu extravagante xornalismo sensacionalista de gran éxito popular, provocou que Pulitzer fixera moitas concesións neste campo. É a Hearst a quen se lle atribúe a frase que condensa o máis desprezable do xornalismo: non deixes que a realidade che estrague unha boa noticia. Hearst: Non deixes que a realidade che estrague unha boa noticia Na actualidade os grandes medios de comunicación seguen usando o sensacionalismo como arma para ter ingresos: calquera pode ter na mente agora o tratamento informativo dunha traxedia occidental, con historias agónicas de familias modélicas, vidas de mozos truncadas e, como non, imaxes de sangue e mortos. Iso vende, ninguén o nega, pero supón renunciar á función social do xornalismo antes mencionada. Ética, persuasión e manipulación Se o desempeño de calquera profesión ten un compoñente ético, no xornalismo este ten un rol especialmente relevante. Os medios son instrumentos reais de poder que orientan a opinión pública. Son o vieiro polo que os políticos fan chegar aos cidadáns as súas opcións e isto supón unha enorme responsabilidade. Todo isto leva aparellado o respecto a unha serie de valores pero, quen garante o comportamento dun medio informativo de propiedade privada cuns accionistas con intereses propios? E como o aseguramos no sector público, que en última instancia depende do poder político que, malia ser democraticamente elixido ten os seus propios intereses? Obxectividade e persuasión son termos que representan os límites dunha mensaxe desde o punto de vista ético. A manipulación non ten que ver con isto. Persuadir é inducir a alguén a crer algo de forma honesta pero manipular implica servir a uns determinados intereses particulares usando ferramentas que vulneran o principio ético de respecto á verdade. Por exemplo, o caso de Ciudadanos foi unha resposta sistémica inflada pola cociña de datos nas enquisas. Foi a manipulación de datos o que creou o fenómeno, que agora é ben real e ben palpable. Manipular implica servir a uns determinados intereses particulares usando ferramentas que vulneran o principio ético de respecto á verdade A comunicación política esperta desconfianza. Sempre está baixo sospeita porque ten intencionalidade, pero non por iso debe ser unha actividade allea á ética. A parte que corresponde a unha das patas deste proceso, os xornalistas, debe facerse con respecto ao código deontolóxico do xornalismo. Todos os axentes que interveñen na produción xornalística deben facelo asumindo unha cota de responsabilidade. Ese precisamente debe ser o que defina o xornalismo nunha sociedade cada vez máis aberta á recepción e difusión de mensaxes.
PRAZA_11592
"A Xunta de Galiza pecha o paritorio e as urxencias pediátricas de Verín, o feminismo galego responde", advirten
A mobilización contra o peche da sala de partos do hospital de Verín espállase alén da comarca ourensá afectada. Despois da masiva manifestación do pasado sábado, histórica na vila pola súa concorrencia, o movemento feminista convoca a través da Marcha Mundial das Mulleres unha ducia de mobilizacións por toda Galicia para este 4 de decembro baixo o lema Verín non se pecha."A Xunta de Galiza pecha o paritorio e as urxencias pediátricas de Verín, o feminismo galego responde""A Xunta de Galiza pecha o paritorio e as urxencias pediátricas de Verín, o feminismo galego responde", sinala a Marcha. "Chamamos ao feminismo galego a responder nas rúas", agregan tras participaren na devandita mobilización do pasado sábado nun contexto no que, advirten, "recortar e negar dereitos a nais e crianzas" tamén é unha forma de violencia. A Marcha Mundial das Mulleres e está a manter actualizada a listaxe de convocatorias no seu Facebook. Polo momento, xa están confirmadas na Coruña, Allariz, As Pontes, Betanzos, Celanova, Santiago, Lugo, Monforte, O Carballiño, Ourense e Vigo, ademais de na propia vila de Verín.
NOS_11366
Dende a última sexta feira do pasado maio, as relacións entre alumnado e dirección do IES Xunqueira II de Pontevedra non conseguen voltar a normalidade.
Aquel día, o director do centro reclamou a presenza da Policía Nacional e Local no centro de ensino para evacuar un grupo de alumnos do último curso que tentaba, tras celebrar a súa graduación o día anterior, impedir a entrada do resto dos rapaces ás clases. Unha tradición típica e, aos ollos do estudantado, enfocada integramente na diversión ou na trasnada, e cunha mensaxe implícita de despedida entre alumnos e profesores. A Policía pediulles ás alumnas e aos alumnos que abandonasen o centro, o que ocasionou no seu momento un grande malestar entre a rapazada, así coma nun sector do profesorado que vía inofensiva e divertida tradición estudantil. Días antes, a dirección do centro xa comunicara a súa decisión de que as e os estudantes, de querer usar as instalacións para a súa graduación, terían que facelo unha sexta feira e non unha quinta, contando así impedir a súa volta as clases ao non habelas a xornada seguinte. Os alumnos de 2º de Bacharelato decidiron celebrar o seu acto na facultade de Forestais, xusto enfronte ao seu instituto; pero nunca pensaron que a cousa acabaría coa Policía de por medio nun día que debería ter sido de celebración. Unha tradición típica e, aos ollos do estudantado, enfocada integramente na diversión ou na trasnada, e cunha mensaxe implícita de despedida entre alumnos e profesores Durante os días seguintes, a tensión foi en aumento; e o director puxo o seu cargo a disposición da Consellaría de Educación coa intención de demitir se así o quería o organismo autonómico. Membros da comunidade educativa do centro explicaron que as discrepancias entre o claustro após a decisión da dirección de encerrar as portas do instituto ás e aos alumnos graduados, derivaron en debates internos e recriminacións. Finalmente, a Xefatura Territorial da Consellería de Educación en Pontevedra tomou a decisión de non aceptar a demisión do equipo directivo, e mantivo no cargo os seus representantes. O xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, trasladou durante a reunión en que se avaliou a problemática o seu apoio ao IES Xunqueira II, valorando moi positivamente o proxecto educativo do instituto, e á espera de que continúe executando o plan levado a cabo nos últimos anos. Na teoría, o sucedido o 26 de maio debería ter quedado aí, mais os alumnos do instituto continuaron a súa propia cruzada contra a dirección, esixindo a súa demisión. Só na última semana, leváronse a cabo dúas concentracións e un parón de dúas horas o 16 de xuño, a modo de protesta polas decisións tomadas. Non descartan trasladar as súas manifestacións até o edificio da Xunta noutro extremo da cidade. "A maioría do alumnado non está contento con como se levan a cabo as cousas no centro", explica Moraima Pérez, responsábel da organización estudantil Erguer en Pontevedra, e antiga alumna do IES Xunqueira II. "O que pasou o día seguinte da graduación foi grave, e serviu como un detonante para pedir a demisión, pero xa tivemos diversos enfrontamentos ao longo do curso". Nese eido, a responsábel de Erquer na cidade lembra como na matrícula para o vindeiro curso o centro obrigaba a cursar grego, sen posibilidade de escoller outra lingua optativa. Finalmente, e após unha negociación, conseguiron reverter a situación, e modificouse ese punto na matrícula. Non descartan trasladar as súas manifestacións até o edificio da Xunta noutro extremo da cidade Nas concentracións que se foron sucedendo soen chegar a ser medio centenar de alumnos. Moraima Pérez recorda que son estudantes, e que moitas e moitos non poden acudir debido aos exames que se suceden nestas datas, cando apenas faltan uns días para o encerramento do curso escolar. "O problema é que agora a comunidade dos profesores está dividida", sinala Moraima. "Están os profesores que apoian as decisión do director e os outros que non. Estanse dando casos de profesores que ameazan as e os alumnos con baixadas de nota ou faltas de orde se non acoden a clase e deciden vir as concentracións". Polo momento, a dirección non emitiu comunicado algún sobre estas protestas e prefiren manter silencio nas súas declaracións. Por outra banda, a ANPA do instituto, a perguntas feitas por Sermos Galiza ao seu portavoz, tamén decidiu non dar a súa opinión en relación ás últimas concentracións.
NOS_34859
A Plataforma en defensa do dereito ao aborto e o COF denuncian que a Xerencia non garante unha atención acaída ás mulleres que abortan após 14 semanas de xestación através da indución do parto.
A Plataforma en defensa do dereito ao aborto da Coruña convocou unha movilización o 18 de febreiro diante do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) para denunciar a situación que atinxe as mulleres que teñen que interromper o seu embarazo pasadas 14 semanas de xestación. Partos en habitacións convencionais e sen asistencia sanitaria de calidade, sinala Chus Díaz Anca desde o Centro de Orientación Familias (COF). "É un horror", denuncia. "É un horror, a violencia é total, é intolerábel" No concreto, aquelas mulleres que contan cunha gravidez superior ás 14 semanas teñen dúas opcións para interromper o embarazo. "Facelo no Materno" ou "ir a unha clínica privada-concertada en Madrid", explica. Trátase de situacións nas que concorren algún dos dous supostos contemplados pola actual lei en vigor, "malformación fetal, moitas delas incompatíbeis coa vida" ou "problemas de saúde para nai", sinala Chus Díaz. Estas interrupcións, embora ser unha decisión da muller, son "moi difíciles" pois "son embarazos desexados". Indución do parto Para interromper a gravidez "emprégase unha técnica que consiste na indución ao parto" através da colocación duns óvulos que provocan a expulsión do feto, ora ben, "morto". A práctica ten lugar no Materno "na área de xinecoloxía" e "non hai matronas, só enfermeiras". "Teño en terapia mulleres que tiveron o parto na habitación, soas e sen anestesia", explica, pois o persoal anestesista "négase a pór a epidural nesa situación". Unicamente a supervisora da área, unha matrona, asiste as mulleres que, no entanto, acuden ao hospital cando ela se atopa nas instalacións. Faino de maneira voluntaria pois, "non está contratada para iso". "Teño en terapia mulleres que tiveron o parto na habitación, soas e sen anestesia", explica, pois o persoal anestesista "négase a pór a epidural nesa situación" Desde a Plataforma en defensa do dereito ao aborto "denunciámolo hai tempo", di. Concretamente en xullo de 2015 remitiron un escrito dirixido á Xerencia do CHUAC e ás directoras médica e de enfermaría no que describían "como debía ser a atención das mulleres que teñen un aborto no segundo trimestre de embarazo" de acordó co fixado polos protocolos internacionais. Porén, explica Chus Díaz, "desde o COF levamos moito máis tempo denunciándoo e mantendo xuntanzas" coa dirección do hospital. "Neste tempo din que van cambiar mais polo de agora nada". A alternativa a esta realidade é que as mulleres sexan atendidas nunha clínica privado-concertada de Madrid na que "é diferente". Paren nun paritorio e coa supervisión dunha matrona, afirman. Mais non todas as mulleres están en disposición de asumir este deslocamento. Deslocadas a Madrid á privada Por que en Madrid?, preguntamos. "No Materno non se practicaban abortos" até hai un tempo. "Como o permite a lei todos os profesionais se declararon obxectores de conciencia" e na Galiza non existían clínicas "con licencia para practicar abortos a partir das 14 semanas". "Cando comezaron a facelos, isto empezou así", sinala en relación ás condicións nas que se levan a cabo. É unha situación, afirma, "de violencia total, é intolerábel". "As mulleres teñen pesadelos e ansiedade sobre todo polas imaxes que lles quedan após ter un feto morto entre as pernas mentres agardan" Chus Díaz sábeo ben. Desde o COF levan a cabo terapias con algunhas destas mulleres. "Teñen pesadelos e ansiedade", sobre todo polas imaxes que lles quedan "após teren un feto morto entre as pernas" mentres agardan a que profesionais sanitarios con formación "retiren a placenta". Tarefa que non levan a cabo as enfermeiras e si matronas e xinecólog@s. "Non podemos garantir que todas as mulleres teñan unha atención sanitaria acaída" nas mesmas condicións en que paren "mulleres con fetos vivos", apunta. "Teño mesmo mulleres en terapia que tiveron que pór os óvulos elas propias cando iso é labor dun sanitario", sinala en relación ao tratamento que se suministra para provocar o aborto. Sen COF no Ventorrillo Após sete meses desde a queixa presentada pola Plataforma en defensa do dereito ao aborto e perante o silencio da administración, o colectivo feminista, apoiado tamén pola Plataforma en defensa da sanidade pública, chaman a participar nunha movilización o 18 de febreiro ás 12h perante o CHUAC mais tamén a que outras organización ou persoas individuais fagan chegar as súas queixas á Xerencia do hospital denunciando que "as autoridades da área sanitaria da Coruña están a vulnerar os dereitos sexuais e reprodutivos de todas nós. Porque as mulleres que teñen necesidade de que se lles practique un aborto de máis de 14 semanas por causas médicas, no hospital materno -infantil da Coruña son dobremente castigadas ao non ter a mesma atención que nun parto", sinalan nun escrito. A Plataforma lembra que os 30 concellos que abrangue o COF do Ventorrillo continúan sen profesional de xinecoloxía desde xaneiro de 2013 Aliás, lembran quen as mulleres de 30 concellos do rural : Abegondo,Aranga,Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Camariñas, Carballo, Cee, Cerceda, Coirós, Corcubión, Coristanco, Culleredo, Curtis, Dumbría, Fisterra, Irixoa, Laracha, Malpica, Miño, Muxía, Oza - Cesuras, Paderne, Ponteceso, Sobrado dos Monxes,Vilarmaior, Vilasantar, Vimianzo e Zas, están sen profesional de xinecoloxía no seu Centro de Orientación Familiar de referencia (O COF do Ventorrillo) dende xaneiro do 2013. Persoal Esta terza feira as organizacións que integran a Plataforma en defensa do dereito ao aborto reúnense para valorar máis accións entre as que se atopa derivar a información recompilada a algunhas parlamentares do Pazo do Hórreo na que procura de responsabilidades por parte do goberno galego. Neste senso, reclaman "habilitar un espazo onde están as matronas" ou "contratar matronas en xinecoloxía que cubran todas as quendas, mañá, tarde e noite". Desde a dirección do hospital "dixeron que estaban a habilitar unha sala especial" mais diso vai "máis dun ano", sentencia.
NOS_7738
O alcalde expulsa da sesión plenaria @s estafad@s após berraren "vostedes estaban no goberno" en relación coa venda de participacións preferentes e subordinadas.
Após manifestárense desde o palco de convidad@s o rexedor coruñés, o popular Carlos Negreira, expulsou un grupo de afectad@s polo calote das preferentes que pretendían fecharse na casa consistorial en sinal de protesta pola fraude. Logo de que @s manifestantes apupasen ao alcalde e a equipa municipal acusándo@s de teren participado na estafa e da súa inacción perante a quita imposta desde Madrid, Negreira decidiu expulsar @s representantes da plataforma e evitar, así, que est@s puidesen manifestar as súas demandas. No entanto, o goberno coruñés, aprobou intres despois dos acontecementos, unha moción pola que se lle retira o título de fillo predilecto a José Luís Méndez, ex-director da caixa. As plataformas comarcais manteñen desde hai meses unha campaña de protesta dirixida aos plenos municipais. A pasada semana, @s afectad@s que tomaron o Concello de Nigrán foron desaloxad@s pola policía. En troca, na localidade de Rois (A Coruña) a corporación suspendeu a sesión como mostra de apoio ás persoas estafadas.
PRAZA_8725
A entidade destaca que achegou 8.224 millóns a provisións e saneamentos.
Novagalicia pechou o ano 2012 cunhas perdas de case 8.000 millóns de euros (7.937), unha cifra que vai de acordo co agardado no plan de reestruturación da entidade nacionalizada, que destaca que achegou 8.224 millóns a provisións e saneamentos para cubrir perdas durante o pasado exercicio, incluíndo tamén as provisións por enaxenación de activos ao Sareb ou banco malo. Os resultados foran xa adiantados, tanto no acordo asinado coa UE para a súa recapitalización como aos sindicatos en diversas negociacións, e segundo a entidade "marcan o máximo saneamento de activos realizados por NCG Banco para encarar o plan de reestruturación e recapitalización". As perdas por deterioro de activos financeiros situáronse nos 6.021,4 millóns de euros, que é o que se desprende das cifras da conta de perdas e ganancias do banco. Ademais, o grupo reduciu en 2012 un 40% os seus activos ponderados por risco, debido sobre todo á transferencia de activos á Sareb, á redución de investimento crediticio en grandes corporacións e no sector inmobiliario e na desconsolidación do Banco Gallego. O crédito a clientes situouse en case 31.000 millóns de euros, cunha redución de perto de 18.000. Novagalicia rematou 2012 cun cadro de persoal de 5.705 empregados na matriz e unha rede de 844 oficinas, pero desde 2010 o axuste entre os traballadores levou por diante 2.011 persoas e 528 oficinas. No pasado ano, pecháronse 212 oficinas, 161 delas en Galicia.
NOS_53020
A Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN) fala de "fracaso xeral da Unión Europea" no tema da defensa das lingua minorizadas e pide que se leven a cabo as reclamacións do Consello de Europa.
O secretario xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN), Davyth Hicks, denunciou este sábado en Compostela o "fracaso xeral da Unión Europea para actuar en defensa das nosas linguas". Nun encontro cos medios de comunicación o responsábel deste organismo, xunto ao presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e recentemente reeleito vicepresidente de ELEN, Marcos Maceira, reclamaron que os gobernos da Galiza e o Estado español atendan as exixencias do Consello de Europa e derroguen o Decreto do Plurilingüismo. Hicks, denunciou o "fracaso xeral da Unión Europea para actuar en defensa das nosas linguas". En relación a Galiza, Maceira e Hicks insistiron en que o Goberno galego "debe dar cumprimento sen demora ás reclamacións do Consello de Europa garantindo o galego como lingua vehicular en todas as etapas e materias do ensino". Alén diso, demandaron que se asegurase a igualdade de todas as linguas oficiais na futura Lei do Audiovisual que está a preparar o Goberno español. Maceira, polo seu lado, afirmou que "fronte ao cuestionamento da democracia e dos dereitos fundamentais a defensa das linguas está a xogar un papel de primeira orde en Galiza e en toda Europa". Cre que "defender as linguas, procurar a súa completa igualdade e o recoñecemento de dereitos é parte esencial da loita democracia". Na súa intervención, Maceira afirmou que "todas as discriminacións deben ser eliminadas, tamén a lingüística", para rematar concluíndo que "a que mostra máis claramente a diversidade e a pluralidade". A Lei Molac e Irlanda As 35 delegadas e delegados que participaron na Asemblea Xeral de ELEN, en representación de 47 linguas de 24 Estados europeos, expresaron tamén a súa preocupación pola crise xerada en Francia pola sentenza do tribunal constitucional sobre a Lei Molac, que socava a inmersión lingüística na educación, e acordaron manter activa a apelación presentada ao respecto por ELEN perante a ONU. Outro dos grandes temas que centrou a atención das persoas participantes no encontro foi a Lei da Lingua Irlandesa nos 6 condados e a preocupación por cando chegará ao Parlamento británico. Elin Haf Gruffydd-Jones, nova presidenta de ELEN A asamblea de ELEN acordou o nomeamento da galesa Elin Haf Gruffydd-Jones -que comezou e fechou a súa intervención falando galego- como nova presidenta da entidade e recoñeceu o labor desenvolvido por Paul Bilbao-Sarria, secretario xeral de Kontseiua, nomeado socio de honra da Mesa pola Normalización Lingüística. A Rede Europea para a Igualdade das Linguas ten como obxectivo a promoción e protección das linguas europeas menos utilizadas, traballar no sentido de igualdade e para ser unha voz para os falantes de linguas a nivel local, rexional, nacional, europeo e internacional. Representa 47 comunidades lingüísticas con 168 entidades de 23 Estados europeos e ten carácter de organismo consultivo do Parlamento Europeo, do Consello de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO. Forma parte, ademais, da Plataforma de ONG da Comisión Europea para Multilingüismo, a Plataforma de ONG para Cultura, a Plataforma de ONG para a Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, e do Consello Económico e Social da ONU.
NOS_41008
Unha campaña posta en marcha pol@s funcionari@s concluíu esta terza coa entrega dos alimentos á Redeaxuda, unha iniciativa do Concello de Pontevedra da cal fan parte as organizacións que traballan man a man coas persoas máis afectadas pola pobreza e o desemprego
Nas dependencias municipais do Concello de Pontevedra apareceu a semana pasada un cartaz anónimo que chamaba a xuntar alimentos de primeira necesidade para entregar ás familias que menos teñen. Comezaba así unha campaña de recollida que rematou esta terza feira, e na cal @s empregad@s públic@s aportaron en función das súas posibilidades até xuntar pola volta dunha tonelada de comida que xa lle foron entregados a Redeaxuda. Esta rede é unha iniciativa do Goberno local que integra as organizacións que traballan man a man coas persoas máis afectadas pola pobreza e o desemprego, como a Fundación Secretariado Xitano, a Fundación Meniños, Proxecto Home ou Calor e Café. Após declararse insumiso perante a orde de Madrid estampada no RD 20/2012 de non lles pagar a extra de decembro aos e ás traballadoras públicas, o Goberno pontevedrés, que encabeza Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) abonoulles un complemento de produtividade para compensar a retirada, permitindo que pola volta de 500 traballador@s manteñan a extra. Moit@s, como Manuel Cancela, responsábel dos servizos de xardinaría, quixeron "repartir a sorte que tivemos" e porse mans á obra na recollida de alimentos. Di Cancela que "foi unha campaña breve por falta de experiencia", pois era a primeira vez que unha acción destas características se puña en marcha de maneira colectiva. Porén, quédanlles ganas de repetir. Segundo os últimos datos do Instituto español de estatística, pola volta de 9 mil traballador@s están en Pontevedra en situación de desemprego. Del@s, tres mil recorreron ás axudas sociais do Concello nos nove primeiros meses do ano.
PRAZA_4256
O Goberno galego aínda non fixo oficiais outros anuncios que lanzou o sábado como a reapertura dos mercados de gando ou os permisos para a roza de limpeza de terreos
O Goberno galego aínda non fixo oficiais outros anuncios que lanzou o sábado como a reapertura dos mercados de gando ou os permisos para a roza de limpeza de terreosO pasado sábado a Xunta anunciou que decidira "interpretar como situación de necesidade a mobilidade entre provincias para que o alumnado universitario poida viaxar ao lugar no que se residía durante o curso para recoller apuntamentos e efectos persoais". O Goberno galego salientaba que así "Galicia convértese na primeira Comunidade Autónoma en atender esta demanda do estudantado universitario e transmitida polas Universidades á Consellería de Educación". Este mates o Diario Oficial de Galicia (DOG) rebaixa o anuncio e deixa en mans do Goberno central a decisión.O DOG publica os diversos acordos adoptados na reunión do sábado do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) da Xunta para a crise do coronavirus. Boa parte deles refírense a toma de coñecemento por parte dese centro de coordinación de protocolos ou decisións xa adoptadas ou a adoptar nun futuro indeterminado por diversas consellerías. Tamén hai reclamacións ao Goberno central, como a de que deixen de estar en vigor as franxas horarias e os límites municipais para a práctica de deportes.A Xunta pide á Delegación do Goberno que "manifeste expresamente a súa conformidade ou non" coa súa interpretación dos desprazamentos do alumnado, que deberán ser certificados persoalmente polas universidadesNo caso do desprazamento do alumnado universitario, fronte ao anuncio realizado o sábado, a Xunta establece que sexa cada universidade a que habilite un procedemento para facilitar a mobilidade "emitindo certificación persoal e intransferible para a realización dunha soa viaxe, indicando a data e enderezo do aloxamento de destino". E a continuación condiciona a medida por ela anunciada a que sexa autorizada "expresamente" polo Estado: "Darase traslado desta interpretación á Delegación do Goberno en Galicia, para os efectos de que manifeste expresamente a súa conformidade ou non con ela, facendo especial fincapé, tal e como se manifestou no Cecop, na necesidade de que este pronunciamento expreso teña lugar o máis axiña posible, tendo en conta a urxencia con que moitos estudantes galegos necesitarían facer os desprazamentos obxecto deste acordo".O sábado o Goberno galego aprobou protocolos ou autorizacións para actividades que o Goberno central permitiu que reabrisen durante a Fase 1 que entrou en vigor o luns da semana pasada pero que a Xunta adiou ata esta semanaTras esa mesma reunión do sábado a Xunta anunciou tamén que permitiría os traballos de roza e limpeza de terreos portando unha declaración responsable e os mercados de gando, pero o acordo publicado este martes no DOG certifica que a regulación desas actividades quedou en mans da Consellería de Medio Rural, que tres días despois aínda non fixo oficiais esas medidas.O acordo do sábado agora feito público tamén certifica a aprobación ese día de diversos protocolos ou autorizacións para actividades que o Goberno central permitiu que reabrisen durante a Fase 1 que entrou en vigor o luns da semana pasada pero que a Xunta adiou ata esta semana, como as bibliotecas e museos, os centros de visitantes e interpretación de parques e espazos naturais ou a actividade presencial da Academia Galega de Seguridade Pública.Igualmente, a Xunta modificou o procedemento polo que o persoal público pode pedir que se revise se o seu posto de traballo e as súas circunstancias persoais son de risco. E aprobou que cando entre en vigor a Fase 2 de desconfinamento, paso que solicitou ao Goberno central que se dea o próximo luns, remate a liberdade horaria para a venda de produtos de primeira necesidade nas grandes superficies. O centro de coordinación tamén tomou conta da decisión de Portos de Galicia de non cobrar de xeito proporcional as súas taxas de ocupación dos espazos portuarios aos establecementos de hostalería que non poidan funcionar en cada fase.
NOS_33994
Aliás, desde esta terza feira o prezo máximo do butano sobe 4,96%, e o do gas licuado de petróleo canalizado, 8,5%.
O prezo medio da electricidade no mercado maiorista manterase esta segunda feira perto dos 250 euros o megawatt/hora (euros/MWh), segundo os datos provisionais publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). En concreto, o prezo medio da electricidade ficará nos 251,70 euros/MWh, 3,81 euros (+1,54%) máis caro que este domingo. O prezo da luz aumentou en 1.025% no último ano Deste modo, o prezo da luz continúa afastado do máximo histórico rexistrado o pasado 8 de marzo, cando se alcanzaron os 544,98 euros/MWh no marco da espiral alcista do gas natural polo impacto da invasión rusa de Ucraína. Por treitos horarios, o prezo máximo da luz para esta segunda feira darase entre as 8 horas e as 9 horas, con 295 euros/MWh, mentres que o mínimo, de 214,8 euros/MWh, rexistrarase entre as 23 e as 00 horas. Marzo podería ser o mes máis caro da historia A pesar da moderación dos últimos días, o prezo medio do megawatt por hora no mercado maiorista no que vai de mes sitúase en 358,45 euros, isto é, case 120 euros máis que a media de decembro de 2021, o até o de agora mes máis caro da historia con 239 euros de media. A luz fechou 2021 como o ano máis caro da serie histórica, cun prezo medio de 111,93 euros/MWh debido á espiral alcista rexistrada no 'pool' no segundo semestre. Con todo, no que vai de 2022 o prezo medio sitúase contorna aos 227,64 euros, máis do dobre que o exercicio anterior. Sobe o prezo do gas Por outra parte, o prezo máximo da bombona de gas butano de 12,5 quilogramos medrará 4,96% a partir desta terza feira, até situarse nos 18,63 euros, segundo unha resolución publicada esta segunda feira no Boletín Oficial do Estado (BOE). O prezo da gasolina subiu 40% nun ano Aliás, tamén desde esta terza, o prezo máximo do gas licuado de petróleo (GLP) canalizado subirá 8,5% a factura para un cliente medio que consuma 500 quilogramos anuales, en comparanza cos prezos en vigor.
PRAZA_5189
O músico de Catoira presenta o seu cuarto disco en solitario, que xa xira polo mundo sen "límites", asegura. A primeira oportunidade de escoitalo ao vivo será o vindeiro día 2 no Teatro Principal de Compostela. Vídeo no interior.
Cando Roi Casal comezou a súa carreira musical en solitario houbo quen pensou que ía desenvolver unha nova "póla" musical a partir de Milladoiro, a histórica formación na que medrou como artista. Pero o que el quería non era ter unha póla de seu, "senón prantar outra árbore". Dez anos despois do seu primeiro disco en solitario Casal ten xa na man o cuarto coa satisfacción de non ser un becho "raro" por ser un artista galego que presenta novo traballo. Acabado de chegar de Zürich, unha das primeiras paradas da súa xira deste 2014, o músico de Catoira fala con paixón do novo proxecto, que toma prestado o título do poema de William Ernest Henley xa asociado para sempre á figura histórica de Nelson Mandela e que lle dá nome e letra á terceira composición do disco. A filosofía da persoa "dona do seu destino" impregna os oito temas que compoñen o disco, unha obra "con espírito crítico" co que o autor tenta transmitir que "as cousas se poden cambiar para mellorar". Co ton optimista que o caracteriza Roi Casal chama a fuxir dos "lamentos". É un músico galego con raíces no país pero iso, advirte, non é "límite" ningún. A súa música bebe da tradición, pero non é música tradicional e isto "non é unha impostura", porque "a música que fago é esta", con independencia de que se apoie en textos de autores galegos ou mesmo teña influencias de composicións incluídas no Códice Calixtino. A súa, explica cun sorriso, "é música comercial e iso non lle quita ningún valor". A nova xira de Casal lévao o vindeiro día 2 ao Principal de Santiago, xusto antes de marchar a América Con estas credenciais Casal lánzase xa a unha xira que o leva o vindeiro día 2 ao Teatro Principal de Compostela. Inmediatamente despois pon a ollada en América, onde enre maio e outubro pasará por Montevideo, Buenos Aires, La Habana, Miami ou Nova York. Polo medio, por suposto, está o verań e as súas festas e festivais, concertos de "gran formato" onde a súa música desprega todo o seu pontencial. Eses eventos, explica, son tamén o principal mercado para a venda dos seus discos: máis do 95%, asegura, véndeos entre o público xusto despois dos concertos. Arpa, zanfona, percusión, violín, guitarra, teclados, contrabaixo e a voz de Silvia Ferre forman o mosaico deste Donos do noso destino. "Non é música lixeira" pero tampouco se trata "dun disco de salón". O mellor para comprobar todo isto é escoitalo.
NOS_53081
Milleiros volven mobilizarse para reclamar a Feijóo que cumpra o comprometido en febreiro de 2011, cando inaugurou o hospital Lucus Augusti: servizos de medicina nuclear, radioterapia e hemodinámica as 24 horas do día para evitar os desprazamentos de doentes a Compostela e á Coruña
O 26 de febreiro de 2011, é dicir, hai dous anos. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asistiu á inauguración do hospital Lucus Augusti e comprometeu a licitación dos servizos de medicina nuclear, hemodinámica e radioterapia en tres meses. Aínda non chegaron hoxe, así que @s pacientes con doenzas de corazón ou con cancro teñen que se desprazar a Compostela ou á Coruña. Malia que el propio elevou á categoría de "paso histórico" a ampliación de prestacións sanitarias no HULA --Hospital Universitario Lucus Augusti, tal ampliación aínda non se produciu. Cal é a consecuencia? Segundo os datos que manexa o propio hospital da Coruña, unha persoa que sofre un infarto en Lugo tarda de media 178 minutos en ser atendida; o tempo reduciríase á metade se a mesma persoa morase en territorio coruñés. A causa é, xustamente, a ausencia desa unidade de hemodinámica. As forzas políticas da oposición levan meses lembrándolle a Feijóo as súas palabras. Mais non só elas. Tamén os colectivos cidadáns e veciñais, estes últimos baixo o paraugas de Agrupa Lugo, desenvolveron importantes mobilizacións amparadas por criterios médicos. O máis importante: que a tardanza en aplicar o tratamento --o máis efectivo, a anxioplastica, isto é, a apertura da arteria-- se traduce nun aumento da mortandade por infarto, cifras que en Lugo duplican aqueloutras rexistradas en áreas sanitarias como Compostela, Vigo ou A Coruña, onde @s enferm@s si contan con sala de hemodinámica. O anuncio para adquirir o equipamento de hemodinámica publicouse no DOG --Diario oficial da Galiza-- esta quinta feira, o mesmo día en que máis unha multitudinaria manifestación reclamou para o HULA os servizos de medicina nuclear, radioterapia e hemodinámica as 24 horas do día.
NOS_39657
A organización estudantil chega a esta Asemblea Nacional após tres anos da última por causa da pandemia da Covid-19
A organización estudantil Erguer. Estudantes da Galiza vivirá este sábado 5 de novembro a súa IV Asemblea Nacional, baixo o lema 'O ensino é a base da sociedade do futuro' no centro social O Gorgullón de Pontevedra. A organización estudantil chega a esta Asemblea Nacional após tres anos da última, cun periodo "marcado pola crise da Covid-19, a docencia telemática, a aparición da primeira universidade privada e unha fonda crise social e económica", segundo indican desde a organización a través dun comunicado. "Constancia militante" "Neste difícil contexto, fomos quen de manter a constancia militante. Cunhas dinámicas de traballo axeitadas e realizando traballo de base, desde as aulas até as rúas, situándonos como a organización estudantil de referencia para millares de estudantes galegas, ao longo do país", declarou Paulo Alonso, actual responsábel de organización de Erguer. Estudantes da Galiza. Erguer convértese en primeira forza organizada no claustro da UVigo Segundo apuntan desde Erguer, a IV Asemblea Nacional debe servir para "continuar e intensificar" a presenza organizada nos centros de ensino, e que este traballo sirva para "reaccionar dun modo máis contundente, áxil e eficaz ante as problemáticas do estudantado". Autoorganización "Sabemos que este é un camiño lento e constante. Sabemos tamén que é único posíbel para artellar unha ferramenta sólida para o estudantado, lonxe de fórmulas espontáneas ou concebidas a centos de quilómetros da nosa realidade. Só mediante a autoorganización do estudantado galego, poderemos deter a ofensiva que enfronta o ensino público galego", aseverou Alonso. Erguer ocupa a futura sede da universidade de Abanca en Vigo "contra modelo privado de ensino" A organización estudantil chama á participación do estudantado nesta xornada de formación e debate, na cal se definirá a súa liña de acción na loita por un ensino público, popular e galego. Ademais de renovar o seu Consello Nacional para o vindeiro período.
PRAZA_1008
UGT, CCOO, CSIF e Sindicato Libre calculan que o 80% do cadro de persoal (52 mil persoas en todo o Estado) participaron nos paros parciais, convocados pola política de recortes posta en marcha pola empresa pública. O 4 de maio está convocada unha folga en toda España.
UGT, CCOO, CSIF e Sindicato Libre cualifican de "éxito" a primeira xornada de folga convocada en Correos e calculan que o 80% do cadro de persoal (52 mil persoas en todo o Estado) participaron nos paros parciais, convocados pola política de recortes posta en marcha pola empresa pública. As concentracións celebradas este xoves ante os centros de traballo, denunciaron que Correos suprimiu 15.500 postos en cinco anos, 11.000 desde 2011 e está a desmantelar o servizo postal público de Correos. As organizacións sindicais amosáronse optimistas e afirmaron que a resposta amosada é "un bo sinal" para encarar a primeira folga xeral do vindeiro 4 de maio das tres convocadas neste mes As organizacións sindicais amosáronse optimistas e afirmaron que a resposta amosada é "un bo sinal" para encarar a primeira folga xeral do vindeiro 4 de maio das tres convocadas neste mes. Esixen que Goberno e directivos de Correos poñan freo ao recorte de persoal "que está a desmantelar o servizo postal público" e desbloqueen a regulación laboral despois de ano e medio de paralización na negociación "sen que até o momento nin empresa nin institucións políticas, expuxesen propostas reais e sólidas en prol dun acordo". José Manuel Sayagués, secretario do Sector Postal de FSP-UGT, afirmou que "o Goberno ten a oportunidade, cun novo Convenio, de recoñecer o sacrificio, responsabilidade e esforzo produtivo dos traballadores postais nestes últimos anos". "A saída a este conflito laboral e social pasa por dar pasos firmes que permitan o avance nunha negociación da regulación laboral que inclúa a paralización do recorte de emprego así como dotar do persoal suficiente, incremento salarial e regulación da ultraactividade", engade FSP-UGT. Para as organizacións sindicais, a redución de persoal significa "unha clara precarización das condicións laborais" ademais dun "peor servizo prestado á cidadanía" Para as organizacións sindicais, a redución de persoal significa "unha clara precarización das condicións laborais e do servizo postal público a prestar, coa dinámica imposta de recortes de persoais vía amortización de postos e redución da contratación que implica o aumento da tensión, o número de quilómetros a realizar, a polivalencia e a precarización do emprego que están a padecer os traballadores" ademais dun "peor servizo prestado á cidadanía nos termos e as garantías que a Directiva e as leis ao efecto determinan".
PRAZA_5229
Galicia concentra máis do 80% das granxas de visón americano de toda España e neste momento varias multinacionais están a construír de forma acelerada e sen licenza novas factorías na Estrada, Sobrado, Agolada, Oza-Cesuras, Oia ou Forcarei.
A política de feitos consumados é unha estratexia empregada decote en Galicia por proxectos industriaias de todo tipo que se sitúan no borde da legalidade ou que poden suscitar un maior ou menor rexeitamento social. Chegan, instálanse, evitan ou adian as denuncias que se presentan, chegan a un acordo tácito coa administración e agardan a que nalgún momento se modifique a lexislación, ou a acadar a necesaria autorización, ou a que unha nova norma (acabamos de velo esta semana co novo Plano Director da Rede Natura 2000) legalice de feito as explotacións ou factorías que non contaban con permisos. ADEGA subliña que Galicia "non pode ser o vertedoiro biolóxico de Europa e o paraíso da impunidade ambiental para empresas sen escrúpulos" Todo este proceso, do que anteriormente se beneficiaron canteiras, minas ou minicentrais hidroeléctricas, está sendo seguindo polas empresas peleteiras responsables da instalación en Galicia de ducias de granxas de visón americano. De feito, Galicia concentra máis do 80% das granxas de toda España, 36 dun total de 45 (cunha produción anual de 700.000 peles doutros tantos animais esfolados), e neste momento varias multinacionais están a construír de forma acelerada e sen licenza novas factorías na Estrada, Sobrado, Agolada, Oza-Cesuras, Oia ou Forcarei. En todos estes lugares as obras avanzan "sen licenza nen permisos ambientais e mesmo sen ter rematado aínda o prazo de exposición pública para a apresentación de alegacións", segundo denuncia ADEGA. A organización ecoloxista fala da "abordaxe en toda regra" de empresas como Agapel Pelting, Saga Furs, Grislee, Internacional Furs ou Celtic Mink, que mesmo estarían trasladando a súa produción dende Holanda, Reino Unido, Croacia, Eslovenia, Estonia ou Bélxica, polo endurecemento da lexislación neses países, que veñen de prohibir estas instalacións, escollendo Galicia "non só pola idoneidade climática, senón tamén pola flexibilidade lexislativa e mesmo pola tolerancia e desleixo das institucións", destaca ADEGA, que subliña que Galicia "non pode ser o vertedoiro biolóxico de Europa e o paraíso da impunidade ambiental para empresas sen escrúpulos". O eurodeputado de ICV Raül Romeva sinalou que "en España, e concretamente no territorio galego, a lexislación contra estas instalacións é máis laxa e permisiva, constituíndo un coladeiro normativo De feito, esta mesma semana o eurodeputado de ICV Raül Romeva realizoulle unha pregunta á Comisión Europea sobre a instalación de novas granxas peleteiras en Galicia. Romeva sinalou que "en España, e concretamente no territorio galego, a lexislación contra estas instalacións é máis laxa e permisiva, constituíndo un coladeiro normativo que permite non responder en casos de fuga de animais ou de contaminación". Lembrou que as "carencias evidentes de seguridade nas instalacións", causan "graves prexuízos á fauna autóctona". E criticou que "resulta de difícil xustificación o gaseo de centos de miles de animais cada ano para nutrir unha industria que explota a vaidade e a atracción económica como reclamo". Por exemplo, na Estrada, Visotecnic, que traballa para Agapel Pelting, está construindo "a toda velocidade" unha granxa mentres o proxecto está aínda a exposición pública e, polo tanto, carece de licenza municipal e autorización ambiental. ADEGA, SGO, SGHN e FEG presentaron este xoves unha denuncia conxunta contra a empresa por este motivo, solicitándolle ademais á Fiscalía que inste "con carácter urxente" á paralización cautelar das obras mentres non se resolven as autorizacións ambientais e licenzas aínda pendentes. Esta factoría terá capacidade para entre 12.000 e 15.000 nais e nas súas instalacións mataranse ao redor de 50.000 ou 60.000 visóns cada ano. Os responsables da empresa aseguran que as présas por comezar a operar se deben a que as femias están neste momento en época de celo, e que se a granxa non se instala de inmediato, terían que agardar un ano para comezar a producir. A Asociación Gallega de Criadores de Visón lanzou un convite público ao capital extranxeiro, salientando que os custes de produción en Galicia son os "máis rendibles de Europa" Granxas semellantes vanse crear en Agolada, Sobrado, Oia, Oza dos Ríos ou en Forcarei. Neste concello o promotor é a empresa Celtik Mink, que está construíndo unha factoría con capacidade para matar 40.000 animais cada ano. A Xunta tamén recibiu a solicitude de ampliación dunha granxa en Carral, que en 2004 sufriu unha moi comentada e problemática solta de visóns polos montes da zona. O pasado mes de agosto, un representante da Asociación Gallega de Criadores de Visón, Manuel García Gutiérrez, lanzou un convite público ao capital extranxeiro a través dunha casa de poxas de peles de Finlandia. Gutiérrez salientou daquela que os custes de produción en Galicia son os "máis rendibles de Europa". ADEGA esixe unha "moratoria para novas solicitudes ou ampliación" ADEGA demándalle á Xunta que, como aconteceu en moitos países de Europa, non autorice máis granxas de visón en Galicia: "Alén de seren lugares de sufrimento e innecesaria crueldade cos animais para uso exclusivo da industria do luxo, moitas destas granxas son pouco máis que galpóns cun peche de bloques ou arame. As lamentábeis condicións de vida (e morte) dos visóns nestas granxas, a ameaza que supoñen para a biodiversidade e os custos que ocasiona a erradicación dos animais silvestres, xustifican sobradamente unha inmediata moratoria para novas solicitudes ou ampliación". Debido ás presións da industria pelexeira, autorizouse a súa cría "nos territorios onde non compita co visón europeo", todo segundo a ADEGA, "movido por intereses comerciais e presións empresariais" A asociación critica a política seguida polo Partido Popular ante esta e outras especies invasoras. O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente de Arias Cañete modificou o catálogo español de especies invasoras para amnistiar a troita arco iris, ou o cangrexo americano, e permitir o seu aproveitamento comercial. De igual xeito, no caso do visón americano e debido ás presións da industria pelexeira, autorizouse a súa cría "nos territorios onde non compita co visón europeo", todo segundo a organización ecoloxista, "movido por intereses comerciais e presións empresariais". "O Catálogo de Especies Invasoras debería estar baseado en criterios científicos e non en intereses económicos, como pretende o PP", denuncia ADEGA. Ademais da crueldade e o maltrato que os animais sofren neste tipo de granxas, preocupa tamén a posibilidade de fugas dalgún destes visóns americanos, polos graves prexuízos que poderían provocar no entorno, sobre todo a outras especies animais. O visón americano é un predador que xa se reproduce en liberdade en Galicia, ocupa distintos hábitats e compite polos recursos con carnívoros autóctonos como a marta, a xeneta, a denociña ou a lontra.
NOS_13992
As principais cabeceiras internacionais recollen a implicación de Rajoy no escándalo Bárcenas.
O presidente do Goberno español viuse esta quinta feira salferido de maneira directa polos pagamentos en B de Luís Bárcenas. A imprensa internacional fíxose eco da nova e mesmo segue en directo o decorrer dos acontecementos. A figura do popular --cuestionada desde a súa chegada ao poder-- situouse no punto de mira das publicacións máis coñecidas no ámbito global. BBC, Financial Times --que ve a Rajoy arrastrado pola corrupción, "drawn into corruption"-- The Guardian, Euronews ou Le Monde recollen nos seus portais web a información feita pública esta quinta feira pola que se involucra ao presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, cos pagamentos en B que xestionou o ex-tesoureiro do PP, Luís Bárcenas, durante vinte anos. A imprensa internacional salienta que o escándalo que afecta --amais do partido-- ao líder do executivo, chega nun momento de crise onde as cifras de desemprego ou mesmo a recesión económica pasan factura ao Goberno de Rajoy. A información publicada polo diario El País puxo ao líder d@s populares na picota e abre unha importante crise que deberá ser xestionada desde Moncloa. Tanto así que a nova de Financial Times continúa a ser a máis lida do día neste medio de comunicación inglés --inda sendo obriga pagar para consultar a información.
PRAZA_8929
Esta fin de semana celébrase en Vilagarcía unha nova edición do principal festival galego de pop-rock. Malia as dificultades económicas foi quen de sacar adiante un cartaz de categoría: Triángulo de Amor Bizarro, Toy, The Primitives, Dorian, We Are Standard, La Habitación Roja, Xoel López, Chinarro...
Un ano máis a música soa en Vilagarcía. Esta fin de semana celébrase unha nova edición do Festival do Norte, o máis importante festival galego de pop-rock da última década e media, e que malia a ser unha cita consolidada e a repetir ano tras ano éxito de público, nas últimas edicións viu ameazada a súa celebración por mor das dificultades económicas e a redución dos patrocinios privados -unha boa parte procedían das antigas caixas- e públicos. Mesmo chegou a falarse da posibilidade de levar os concertos a outro concello. Pero -a pesar de todo- o Festival do Norte xa esta aquí. En conversa con Praza Pública o director do Festival, Toño Caneda, facía hai unhas semanas un chamamento ás administracións a seren conscientes da importancia que un festival coma o arousán ten para unha vila ou unha comarca. Por un lado os económicos: milleiros de persoas chegados dende toda Galicia que durante dous dias durmen, consumen e gastan. E tamén os relacionados coa imaxe de marca dunha cidade xa asociada á música a través desta cita. O Fexdega acollerá os concertos este venres e sábado, con entradas a 20-25 euros para un día e 30-40 para os dous, incluíndo acampada. O cartaz incorpora algúns nomes de primeira fila do panorama estatal, encabezados polos galegos Triángulo de Amor Bizarro, ademais de Dorian, We Are Standard, La Habitación Roja, Xoel López, Sr. Chinarro, Guadalupe Plata ou Delafé y las Flores Azules. Tamén destacan os británicos Toy, unha das sorpresas do ano. E igualmente actuarán a coruñesa Jane Joyd ou os vigueses Mvnich. Ademais, o festival continúa estendendo as súas actividade máis aló dos concertos. Este xoves tivo lugar unha iniciativa, Busca tu norte en la música, co obxectivo de achegarlles a mozos e mozas as posibilidades e potencialidades da promoción e da xestión musical-cultural como oportunidade para a dinamización e o desenvolvemento local, así como para a creación de emprego.
NOS_43469
O Plan de aforro enerxético entra esta cuarta feira en vigor a pesar da presión do Partido Popular para lograr a súa retirada. O Goberno español fica firme na súa postura e avanza que non tolerará "insubmisión ningunha", mentres a Comunidade de Madrid xa adiantou que recorrerá a norma no Constitucional.
O Goberno español non retirará, nin aprazará, o decreto que recolle o Plan de aforro enerxético a pesar das reiteradas peticións do PP. A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e máis a titular de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, mantiveron esta segunda feira un encontro por vía telemática cos conselleiros do ramo dos gobernos territoriais e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para abordar este documento e sumar posíbeis achegas. "Escoitamos a petición de retirada do decreto por parte dalgunhas comunidades autónomas, se ben ningunha dixo expresamente que non o vaia cumprir", precisou Ribera na rolda de prensa posterior á xuntanza. Explicou, aliás, que o Executivo recibirá propostas até o 31 de agosto, antes de presentar o proxecto final en Bruxelas no mes de setembro. Porén, lamentou que "algunhas administracións, máis que desbotar a idea de axudar a que isto sexa posíbel, subliñaron que non lles gusta e que o van incumprir". Transporte, hospitais... Onde se limitará a temperatura e onde non se aplicarán as medidas de aforro enerxético? Foron os gobernos populares os que mostraron unha maior reticencia a este paquete de medidas, entre eles o da Xunta da Galiza. O presidente, Alfonso Rueda, recolleu a luva de Alberto Núñez Feixoo —líder do PP estatal— e reclamou a convocatoria dunha Conferencia de Presidentes para artellar un documento "con consenso" e non "a través dunha rolda de prensa e unha publicación inmediata no Boletín Oficial do Estado (BOE)". "Ninguén discute os obxectivos do plan; si o contido", asegurou. Cuestionado a respecto das fortes críticas da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, que chegou a dicir que non cumpriría o plan de aforro, Rueda defendeuna alegando que "non se consultara as comunidades autónomas e había medidas francamente difíciles de entender, tal e como están redactadas, e de poder aplicalas". Ayuso recorre ao Tribunal Constitucional Minutos despois de rematar a reunión Díaz Ayuso avanzou que o Goberno de Madrid presentará un recurso perante o Tribunal Constitucional por "invasión de competencias", ao entender, aliás, que o decreto "vai, sobre todo, contra o comercio, sen contar con eles e obviando competencias exclusivas das comunidades autónomas". Madrid oponse ás medidas de aforro malia producir só 4,8% da enerxía que consome Neste senso, a ministra de Facenda, María Jesús Montero, advertiu que Moncloa non tolerará "insubmisión ningunha" ao decreto. "Pedimos a Feixoo que, aínda que lle custe, impoña a súa voz no Partido Popular. O camiño da insubmisión acaba mal, como xa se viu noutras ocasións", subliñou. Peticións de adiamento Pola súa parte, Catalunya e Euskadi reclamaron "flexibilidade" na aplicación dos límites de temperatura, nomeadamente nas estacións de transporte público, así como "máis recursos económicos e tempo" para que o plan entre en vigor, algo que a ministra Ribera descartou, así como a "matización" do texto.
NOS_54269
A maioría da formación conservadora impediu quitar adiante no Parlamento galego unha moción do BNG apoiada por PSOE e AGE en que se exixía a paralización do proxecto da empresa canadense Edgewater, que a Xunta tramitou como 'de interese estratéxico'
Máis unha vez, a maioría absoluta do PP impediu quitar adiante no Parlamento galego unha proposición non de lei presentada polo BNG e apoiada por PSOE e AGE en que a oposición reclamaba a paralización do proxecto mineiro a ceo aberto que a empresa canadense Edgewater pretende executar en Corcoesto, afectando o monte dos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso, e que a Xunta tramitou como proxecto industrial estratéxico para acelerar os prazos na concesión de licencias, situación que foi cualificada por AGE como "un claro fraude de lei". Así as cousas, o documento que defendeu na Cámara o deputado nacionalista Carlos Aymerich, quen visitou a localización que terá a explotación a ceo aberto en Corcoesto, define os plans de Edgewater como "un megaproxecto que minimiza os custos de produción" botando man de tecnoloxías "obsoletas e contaminantes" co obxectivo de que a empresa estranxeira tire do monte galego o máximo rendemento en termos económicos malia destruír máis de 700 hectáreas con cortas a ceo aberto. Mocións en todos os concellos da comarca afectadaOs custos ambientais "socialízanse" neste proxecto que, ao entender do BNG, é "máis propio da época colonial" e no cal o PP concede "dereito de pernada" sobre o territorio ao lle outorgar a condición de interese estratéxico. Tal posicionamento aparece recollido nunha moción que a formación frontista levará a todos os concellos da comarca afectada pola mina, un texto moi similar ao que esta quinta feira se debateu en comisión parlamentaria e que, de saír apoiada, as corporacións municipais instarían á Xunta a non aprobar o proxecto de Edgewater. Durante o debate parlamentar, Aymerich lamentou o posicionamento da formación conservadora perante un plan "que porá Galiza á cola de Europa en materia medioambiental", pois as lexislacións aprobadas nos estados da contorna avanzan cara á prohibición da minaría con cianuro e das explotacións a ceo aberto. Pan para hoxe e fame para mañáNamentres, a Xunta teima en defender o proxecto mineiro cifrando en 1.371 os postos de traballo que se van crear, cantidade que reduce a propia empresa a 271, que son os que colocaron no proxecto por ser o número mínimo necesario para que se considere proxecto estratéxico. A Plataforma pola defensa de Corcoesto sostivo sempre que serán moitos menos, por volta de 50, e que non empregarán man de obra local, para alén de que a destrución do territorio non ficará compensada en ningún caso nin cos salarios nin coa duración dos contratos que ofrece a empresa.PSOE e AGE expresáronse en termos semellantes e apoiaron a iniciativa, que o PP botou abaixo en solitario ao entender, en palabras do deputado Pedro Arias, que "estamos perante unha oportunidade de desenvolvemento económico nunha provincia que é a máis mineira da Galiza".
NOS_13084
A historia dos espolios artísticos na Galiza daría para un libro cun capítulo á parte para San Lourenzo de Carboeiro. Practicamente abandonado desde 1880 até as primeiras obras de recuperación iniciadas en 1974, non tivo outra protección que o seu remoto emprazamento. Aínda así, entre as obras desaparecidas do mosteiro encóntranse dúas placas que formaban parte do tímpano occidental da igrexa: unha cun Pantócrator e outra cos símbolos dos evanxelistas Xoán e Lucas, ambas no museo Marès de Barcelona. Chegaron alí procedentes da colección privada de Fernando Birk Crecelius, un dirixente da IG Farben en tempos dos nazis que fixo o seu tobo na España franquista. Quizais sería chegado o momento de que se reclamase a súa restitución ao lugar orixinal.
O primeiro documento coñecido sinala a fundación de Carboeiro en 936, baixo a protección da poderosa familia dos condes de Deza. Como noutros mosteiros, puido tratarse en realidade da refundación dun mosteiro que xa funcionaba. É seguro, si, que o esplendor de Carboeiro se iniciou na segunda metade do XII e continuou durante o XIII, xa baixo a regra de San Bieito. Neses anos, doazóns reais e particulares enriqueceron o mosteiro, e deron para financiar unhas obras que non eran baratas. Foi o abade Fernando quen, segundo a inscrición latina do muro interior do primeiro tramo da igrexa, "fundou este templo con multitude dos seus monxes" o 1 de xullo de 1171. A inscrición refírese ao inicio das obras da igrexa, que se prolongaron, como pouco, até finais de século. A igrexa ten forma de cruz latina. O brazo transversal é de nave única, namentres o lonxitudinal ten tres naves, a central o dobre de ancha que as laterais. Un trazo particular de Carboeiro, condicionada a igrexa pola estreiteza da parcela en que se construíu, é o curto que resulta este brazo, comparado co que é habitual no románico. Relación co estilo mateano Desde o punto de vista artístico o tímpano da fachada occidental é o máis relevante. Esta fachada organízase en dous corpos, separados polo rotundo trazo horizontal dunha sobrecuberta con canzorros. Este corpo é moi severo, interrompido nada máis por un rosetón que hai que pór en relación co da portada románica da catedral de Santiago. A portada principal acubilla un tímpano baixo catro arquivoltas de medio punto. Desde o interior, a primeira, a segunda e a cuarta conteñen motivos botánicos. A terceira arquivolta imita os Anciáns do Pórtico da Gloria. Tamén estes personaxes esgrimen violas, salterios, redomas e fídulas. Non se aprecia a gran zanfona que no tímpano de Mateo comparten dous anciáns, pero si instrumentos novos, como as frautas dobres. Aínda que as figuras están deterioradas, seguiuse o principio de que se relacionasen en parellas, como no pórtico mateano. Un ancián está descabezado e catro máis teñen as facianas esborranchadas; en conxunto, a metade meridional consérvase en peor estado que a setentrional. Segundo o texto bíblico, os anciáns locen túnicas brancas e coroas de ouro –aquí ausentes– nas cabezas, e louvan ao Redentor. Se escoitamos ben poderemos percibir a música das esferas, de raíz pitagórico-platónica, a orixe pagá deste concerto que se atronará na fin dos tempos, cando Cristo veña para xulgar vivos e mortos e o seu reino non teña fin. O tímpano alberga un dos temas da escultura románica máis repetidos: o Pantocrátor co Tetramorfos, distribuídos en tres lastras independentes. Na lastra central, un Cristo sedente, coroado e sen nimbo, bendí coa man dereita; na esquerda sostén un libro. Non está rodeado de mandorla, esa améndoa que acoutaba tradicionalmente a figura do Redentor, fechándoo nun espazo diferenciado. Nas lastras laterais atopamos os símbolos dos evanxelistas (o anxo, Mateo; o león, Marcos; o touro, Lucas; a aguia, Xoán). No seu lugar orixinal restan Mateo e Marcos; as outras figuras, como dixemos, locen no Museo Marès. A calidade artística das pezas das portadas sur e oeste é tal que merecen figurar entre o máis requintado da arte europea do seu tempo Outra portada de gran valor artístico é a da fachada sur. Foron seguramente as peculiaridades do terreo as que levaron a trasladala ao último tramo do brazo lonxitudinal, en lugar de a dispor no cerre do brazo transversal. Estrutúrase en dúas arquivoltas que se sosteñen sobre columnas, hoxe desaparecidas. A imaxe central da arquivolta interior é o Cristo en Maxestade. É a imaxe clásica da Parusía, a segunda encarnación de Xesucristo: a Biblia na man esquerda e a dereita cos dedos estendidos en beizón, rodeado de dous grupos de tres anxos a cada beira. Os anxos manteñen actitudes diversas, orantes ou no transo de se prostrar ante o Mesías. Nos anxos das arquivoltas e nos floróns que adorna a arquivolta exterior percibimos restos de vermello, quizais procedentes da policromía orixinal. O tímpano propiamente dito xa non conserva as tres placas orixinais, se ben mantén as ménsulas decorativas con anxos sostendo cartelas. As placas xa non estaban alí cando o fotógrafo Francisco Zagala e Casto Sampedro visitaron estes pagos en 1897. Con todo, na foto en que os dous visitantes se retratan fronte á porta tapiada acompañados de tres labregos, as figuras das arquivoltas conservan aínda as cabezas. Non se sabe cando foron decapitadas, como tampouco se foi por vicio ou quizais nunha nova tentativa de roubo. Portadas sur e oeste Hai que ter en conta que as portadas oeste e sur serían, seguramente, as portas de acceso á igrexa destinadas aos leigos e ás cerimonias solemnes. Nos oficios de diario, os monxes entrarían pola portada norte, en fronte da cal se localizan as principais dependencias do mosteiro. A calidade artística das pezas das portadas sur e oeste é tal que merecen figurar entre o máis requintado da arte europea do seu tempo. Hai especialistas que viron a man do mestre Mateo detrás das figuras de ambas as portadas: nin hai documento que probe tal cousa nin resulta razoábel pensar que o arcebispo lle concedese a Mateo a carta de liberdade para compaxinar estas obras coas da catedral. Si se pode supor que o abade de Carboeiro –seguramente o abade Fernando, morto en 1192– viaxase a Compostela para contratar algunha persoa con experiencia no obradoiro de Mateo. Como as do Pórtico da Gloria, as de Carboeiro destacan pola súa expresividade e polo naturalismo no tratamento das vestiduras das figuras. Son así mesmo figuras monumentais, practicamente exentas. A disposición dos corpos, en plena posesión do espazo, e as proporcións dos membros son outros trazos que anuncian o estilo gótico, que se apropiará da plástica dos séculos finais do medievo. Aínda Carboeiro conta outros dous tímpanos, ambos sobre as portas que dan acceso á cripta desde o deambulatorio. A cripta, situada xusto debaixo da cabeceira da igrexa, construíuse para salvar o abrupto desnivel que interrompe o soar sobre o que se sitúa o templo. No primeiro dos tímpanos, na parte norte da ábsida, figura un círculo en que se inscribe unha cruz ceremonial. A cruz ten forma patada, é dicir, os brazos ensánchanse nos extremos. No interior dos brazos representáronse as pedras preciosas que decorarían estas cruces e dos extremos dos brazos horizontais colga o que debería ser a reprodución do alfa e do omega, se ben o artista, pouco versado no alfabeto grego, desfigurou as letras. Desde o punto de vista artístico o tímpano da fachada occidental é o máis relevante O segundo tímpano contén unha estrela de seis puntas, tamén inscrita nun círculo, flanqueada por dúas flores. Todos estes motivos son gardados por un arco decorado no seu interior con sete arcos cegos de ferradura. A decoración de ambos os tímpanos é moito máis rudimentaria que a dos tímpanos exteriores. Nestes trabállase con motivos da arte culta, próximos ao románico da Borgoña no que se formara Mateo e o seu obradoiro. Naqueloutros tímpanos, os interiores, a decoración remite a motivos repetidos na tradición hispánica e aínda máis no prerrománico e románico galego. A cruz ceremonial –ben coñecida polas cruces asturianas– repítese na arte prerrománica galega: así, por exemplo, pode atoparse nunha placa do século IX conservada no mosteiro de Samos. Os arcos cegos de ferradura ou a estrela remítennos aínda máis atrás no tempo, pois son motivos de época romana ou aínda prerromanos, presentes, por exemplo, en estelas funerarias ou pezas decoradas procedentes dos castros. Estas figuras foron duradeiras na arte galega. Ao longo desta serie vimos exemplos de época románica como San Salvador de Escuadro ou San Fiz de Cangas. Pode ser que fosen executados por artistas locais. Desde logo, por estilo e por temática son alleos ás persoas que traballaron nas portadas da igrexa. Poderían tratarse, se cadra, de reutilizacións de elementos do mosteiro anteriores á actual igrexa? O patrimonio espoliado Edificado nunha península sobre un meandro do Deza, Carboeiro é inseparábel do lugar en que se mandou edificar. Aínda que a paisaxe está moi desvirtuada pola presenza de densas masas de eucalipto, merece a pena achegarse a Carboeiro desde a fervenza do Toxa. Paseando a carón da ribeira do Deza, antes de entrar ao mosteiro crúzase a Ponte do Demo, a ponte dun arco que, segundo a lenda, os monxes viron feita nunha noite despois de venderen a súa alma ao demo. A paraxe tan remota na que se construíu o mosteiro facilitou o espolio. Todo servía para arrapañar: amais das pezas dos tímpanos que xa citamos, desapareceron a cheminea da cociña do mosteiro, o rosetón da fachada sur, lápidas sepulcrais e moitas outras pezas. Ben é certo que os roubos non sempre responderon á cobiza de estraños, pois moitos elementos, especialmente do mobiliario ou da cantaría acabaron en casas particulares da zona. O espolio de Carboeiro ilustra as dificultades que o noso país ten para protexer un patrimonio artístico desmesuradamente rico. Con todo, tamén é interesante pór de relevo que non sempre este patrimonio foi desprezado. As imaxes sagradas e un retablo enteiro adornan as igrexas da zona. A Nosa Señora de Belén, unha Virxe medieval en madeira policromada, custódiase no Museo Diocesano de Lugo. O espolio de Carboeiro ilustra as dificultades que o noso país ten para protexer un patrimonio artístico desmesuradamente rico A ruína e a paisaxe converteron Carboeiro nun conxunto con maxia. Desde o punto de vista arquitectónico son moi destacadas as solucións que se encontraron para a cabeceira. Impresionan a solidez e o ritmo das columnas que separan a capela maior do deambulatorio. Esta disposición está á altura das igrexas francesas do primeiro gótico, como Saint Denis de París, e pon Carboeiro na vangarda da arquitectura europea do seu tempo. Só queda desexar que poida canto antes volver xuntarse nas inmediacións do mosteiro a confraría da Santa Ferreña. Este encontro de música tradicional xúntase en Carboeiro o primeiro sábado do mes de xuño desde hai vinte anos, sen que precise máis que "do talento de quen quixer ser feliz co baile e a música", como xa deixou dito Xurxo Souto nestas páxinas. E aínda que non teñamos perda de que Enrique Iglesias veña, como en 2015, gravar vídeos de reguetón, a Carboeiro préstalle máis o espectáculo das foliadas dun pobo de artistas.
PRAZA_10683
O secretario xeral do PSdeG promete o escano a un ano das autonómicas para confrontar a súa proposta de "cambio" co presidente cando compareza na Cámara pero deixando a Leiceaga a portavocía habitual
O secretario xeral do PSdeG promete o escano a un ano das autonómicas para confrontar a súa proposta de "cambio" co presidente cando compareza na Cámara pero deixando a Leiceaga a portavocía habitualCon Feijóo e o vicepresidente, Alfonso Rueda, ausentes do hemiciclo, no que entraron xusto despois, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, prometeu este mércores o seu escano de deputado no Parlamento de Galicia, no que di entrar agora, a un ano das eleccións autonómicas, para confrontar a súa proposta de "cambio" político coa "imaxe de poder coa que Feijóo intenta enganar á cidadanía". Despois de que en 2012 os populares considerasen un agravio que Feijóo fose investido na Cámara para o seu segundo mandato sen recibir a felicitación dos portavoces da oposición, este mércores Caballero, líder da oposición, tomou posesión do escano co aplauso protocolario de todo o hemiciclo, tamén dos populares, coa excepción de Feijóo e Rueda, ausentes.O líder socialista critica que "os problemas de Galicia non levan subidos 25 anos a un coche oficial como Feijóo"Previamente Caballero, en declaracións aos medios de comunicación, verbalizara a súa intención de desmontar esa "imaxe de poder" coa que ao seu ver Feijóo intenta ocultar a súa xestión da última década, "uns problemas que non levan subidos 25 anos a un coche oficial como el". Fronte ao PP, o socialista ofrece "cambio en positivo" e avanza que fará da sanidade, o emprego e a economía as súas prioridades de traballo para intentar acadar a presidencia da Xunta. Porén, non será no Parlamento onde centre os seus esforzos, xa que asegura que manterá o seu despacho na sede do PSdeG na rúa do Pino como centro de traballo e a súa intención de seguir mantendo actos e reunións por toda Galicia, a súa prioridade desde que chegou hai xa case dous anos ao liderado dos socialistas galegos. No Parlamento a portavocía socialista no día a día seguirá a estar nas mans de Xoaquín Fernández Leiceaga mentres que Caballero só intervirá nas ocasións en que poida confrontar directamente con Feijóo, sexa nas preguntas quincenais de control ao presidente ou nos principais plenos de aprobación dos Orzamentos ou do debate de política xeral.Este mércores, a toma de posesión de Caballero estivo arroupada desde a tribuna de invitados por numerosos cargos socialistas de toda Galicia.
NOS_41317
Unha sentenza exculpa o garda civil que denegou auxilio a Margarita Dopico, horas antes de que o seu ex marido asasinara o seu fillo. Denuncian o fallo xudicial por ser violencia institucional, xa que ademais responsabiliza a muller de non trasladar de forma clara o "terror que estaba a sufrir".
A sentenza do Xulgado do Penal número 2 da Coruña vén de absolver a un garda civil do delito de denegación de auxilio a Margarita Dopico. A muller achegouse ao garda civil para solicitar axuda, horas antes de que o seu ex marido, José Luis Deus, asasinase en 2010 o seu fillo de só 14 meses, facendo estalar unha bomba de gas no interior do seu coche en Paderne. A nai presentou unha denuncia contra este garda civil e agora, a sentenza xudicial desprotexe e responsabiliza a Dopico por non trasladar de forma clara e suficiente ao axente o "terror" que estaba a sufrir, dado que "non tiña unha seguridade mínima para dicir que o risco existía", recolle a sentenza. Margarita Dopico, xunto a Rosa Campos, responsábel do Centro de Información á Muller de Pontevedra, denunciou de "aberrante" este fallo xudicial que xustifica a absolución. Relatou ademais, en declaracións aos medios, que os axentes do cuartel de Betanzos atendérona na porta e non lle fixeron caso, sentíndose a muller "totalmente desamparada" e, engadiu, tratárona con desprezo. "Estaban obrigados a prestarme axuda e non o fixeron" denunciou Margarita, quen anunciou que recorrerá a sentenza emitida polo Xulgado do que é titular o maxistrado José Antonio Vázquez Taín. Afirmou tamén que non vai parar até que se cumpra xustiza, haxa que chegar até os tribunais europeos se for necesario.
NOS_34505
As asociacións de transportistas galegos rexeitaron sumarse a un eventual paro que dea resposta á suba continuada de prezos do combustíbel, para evitar "danos maiores" á economía" e non "castigar" os operadores que cumpren.
A pesar de desbotaren un paro, as asociacións de transportistas volveron reclamar ao Goberno estatal que interveña para implementar un gasóleo profesional bonificado para o sector, e co fin de que "haxa inspeccións que acaben coa competencia desleal". Neste sentido, a secretaria de Apetamcor, a Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia, Myriam Otero, apelou a "sermos cautos", pois "estamos nun momento moi difícil non só para o transporte, senón para a economía e para toda a sociedade". Isto, dixo, obsta para que as administracións "teña que facer os seus deberes". Nese sentido, lembrou que o sector mantén sobre a mesa reclamacións como o combustíbel profesional, do que xa dispoñen sectores como a pesca, ou o reforzo das inspeccións para sancionar aqueles operadores loxísticos e empresas cargadoras que non cumpran as medidas acordadas nos últimos meses. A patronal galega do transporte pide ao Goberno español intervir o mercado dos combustíbeis Na mesma liña, Asetranspo, que aglutina os transportistas de mercadorías de Pontevedra, mantén a posición trasladada nos últimos días aos seus socios, a mesma que defende a Confederación Española de Transporte de Mercadorías: o rexeitamento a un paro, manter a negociación co Goberno estatal no seo do Comité Nacional de Transporte por Estrada (CNTC) e reivindicar o cumprimento das medidas adoptadas. Respecto diso, esta asociación sinalou que xa se logrou a prórroga da bonificación de 20 céntimos no prezo do combustíbel, e outras medidas, como a revisión do prezo do transporte en función do prezo do gasóleo. "O que temos que facer é que, ao cargador que non pague, deixemos de prestarlle servizo, porque non se pode traballar por baixo do custo", apuntaron desde Asetranspo. Os transportistas valoran retomar o paro en xullo pola suba dos combustíbeis Do mesmo modo pronunciouse o vicepresidente de Tradime, asociación de transportistas de Lugo, José Fernández, quen apuntou que esta organización non apoia un paro, pois "agora o que toca é aplicar as medidas" que xa hai, e apostou por "dar un tempo" á Administración para seguir negociando porque "as présas non son boas". Pola súa parte, a Plataforma Nacional en Defensa do Sector do Transporte fixo público o resultado das votacións convocadas esta fin de semana, para decidir se se reactivaba o paro ou se suspendían as mobilizacións e acéptase a oferta do Executivo de entrar na negociación da futura Lei da Cadea de Transporte, que impedirá ao sector traballar 'a perdas'. Sinalou que, a nivel global, o 41% dos participantes nas asembleas mostrouse partidario de reactivar a protesta, fronte a un 45% que prefire manter en suspenso a folga e participar na negociación (tamén sinala que houbo un 14% de abstencións).
NOS_20882
A 20ª edición do encontro Correntes d'Escritas, que esta segunda feira comeza en Póvoa de Varzim, conta con importante presenza galega. Teresa Moure, Cesáreo Sánchez Iglesias, a cantante Uxía ou Compostela como cidade convidada son algúns dos integrantes da delegación.
A terza feira, 19 de febreiro, Uxía, acompañada de Sérgio Tannus e Mû Mbana, oferecerán un concerto no Cine-Teatro Garrett. Dous días despois, quinta feira, o poeta e presidente da Asociación de Escritoras en Lingua Galega Cesáreo Sánchez Iglesias participará na mesa redonda Nesta manhã eu recomeço o mundo? canda, entre outros, o poeta portugués Nuno Júdice. A propia Uxía recunca nesa xornada no debate Não te ofenderei con poemas. A novelista e ensaísta Teresa Moure fará parte do relatorio E as minhas mãos non podem prender nada a sexta feira, 22 de febreiro. Carlos Quiroga, no Aprendi a viver en pleno vento. Na noite dese día, O Leo i Arremecághona e poeta Xabier Xil Xardón exporán a súa última aventura poético musical, Detéxtonos, a partir dos textos deste último. Xa no sábado 23 de febreiro, Quico Valeiras presentará o proxecto da libraría Chan da Pólvora, localizada na rúa San Pedro de Santiago de Compostela, e especializada en poesía. Ademais, María Meijide explicará os seus volumes de debuxo De Usuaia a La Quiaca, caderno de viaxe, e Mapa Emocional de Compostela. Correntes d'Escritas fai 20 anos. É "o máis antigo e o maior festival literario do país". Dedicado ao intercambio e debate entre "escritores de expresión ibérica", o presidente da República de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa encargarase de inauguralo a terza feira, 19 de febreiro, ás 11.30 horas.
NOS_25542
Pachi Vázquez di que "é moi dificil crer en varias coincidencias seguidas". No BNG exixen "xustiza mais sen intencionalidade política". O popular Adolfo Gacio único cargo público imputado que segue nas institucións.
O concelleiro do BNG en Ourense, Fernando Varela, presentou esta mañá a súa renuncia despois de ser posto en liberdade. Varela explicou nun comunicado que tomou esa decisión para actuar "en coherencia coa práctica política que sempre defendín e que define ao BNG". Desta maneira o xa ex-edil quere evitar que a súa defensa dos cargos que lle foron imputados pola xuíza Pilar de Lara, non interferise nin no funcionamento do concello nin no do grupo municipal nacionalista. Fernando Varela proclamou a súa "total inocencia" dos cargos que se lle imputan e amosouse convencido de que "poderá demostrala no futuro inmediato". Francisco Jorquera asegurou hoxe que no BNG non teñen dúbida da súa "absoluta inocencia", porén, entenden necesaria a dimisión ao "ter por norma dar exemplo de comportamento" e para favorecer que Varela se poida defender das "acusacións totalmente inxustas que se lle imputan". Ser mencionado nunha chamada, a causa da detención O propio Varela fixo público que o único que o ligaría ao caso "Pokémon" é que o seu nome é mencionado nunha conversa entre dúas persoas imputadas. Con todo, manifestou que o que nela se recolle é "absolutamente falso". A este respecto Francisco Jorquera, nunhas declaracións sobre a causa, manifestouse moi crítico co proceso denunciando que nel se "inverte a carga da proba e simples ruxes-ruxes serven para imputar unha persoa presumindo a súa culpabilidade". O BNG exixe xustiza mais sen intencionalidade política O candidato nacionalista referiuse ao caso "Pokémon" nunha declaración realizada esta mañá perante os medios de comunicación en Compostela ,cando participaba nunha concentración das e dos traballador@s de Alcoa. Jorquera afirmou que "no BNG exiximos que actúe xustiza mais sen intencionalidades políticas, queremos xustiza os 365 días do ano non só en vésperas electorais". Neste sentido, denunciou que "comeza a ser norma en Galiza que cando se achegan unhas eleccións haxa operacións espectáculo, con procedementos que deixan desprotexidas as persoas procesadas", procedemento que insistiu en cualificar de desproporcionado nas formas por ser "máis propio de causas por terrorismo que por feitos desta natureza". Cando se está a desenvolver un xuízo paralelo nos medios de comunicación por mor das numerosas filtracións da causa, no que as e os procesados non se poden defender por estaren baixo segredo de sumario, Francisco Jorquera advertiu que "xa hai demasiados precedentes onde ao final se demostrou que os cargos eran falsos, mais a honorabilidade das persoas acusadas quedou cuestionada e mesmo houbo quen aproveitou para tirar réditos electorais". O popular Adolfo Gacio único cargo público imputado que segue nas institucións O candidato do Bloque cargou con dureza contra Núñez Feijóo a quen acusou de facer unha "trampa" coa dimisión do alcalde de Boqueixón, que seguirá de concelleiro, xa que na súa opinión Adolfo Gacio seguirá a ser o alcalde na sombra, e instou o candidato popular a tomar nota da "actitude exemplarizante ante calquera imputación" da fronte nacionalista. Adolfo Gacio, estreitamente vecenllado a Romay Beccaria, é o único cargo público imputado que non renunciou as súas responsabilidades institucionais. En resposta ás declaración de Feijóo falando da falla de gobernabilidade en Ourense, o nacionalista dixo que "non se pode ter tanta desvergoña". "É lamentábel que o PP queira sacar deste acontecementos réditos electorais en Ourense" declarou. Pachi Vázquez cuestiona a coincidencia da operación coas elecciónsO candidato socialista, Pachi Vázquez, manifestou sospeitas a respecto da coincidencia da operación "Pokémon" coa precampaña dos comicios autonómicos do vindeiro 21-O. Pachi Vázquez afirmou que "cando as casualidades coinciden varias veces seguidas é moi difícil crer nelas". Na súa opinión non cabe dúbida de que o caso "contamina moito a acción política" Francisco Rodríguez abandona a alcaldía despois do tira-puxa Forzado polas circunstancias Francisco Rodríguez viuse obrigado a anunciar a súa dimisión. Malia que o rexedor non quería renunciar, a perda do apoio do BNG que hoxe abandonou definitivamente o goberno de coalición e a presión do PSdeG, que o suspendeu de militancia, forzouno a tomar a decisión que tentou evitar no tira-puxa desta semana. Esta sexta feira celebrarase o pleno en que oficializará a súa saída. Só tres das 23 persoas detidas foron enviadas a prisión O xefe da policía local de Ourense, A.U.., xa está en liberdade --baixo fianza de 5.000€-- despois de comparecer durante dúas horas no xulgado número 1 de Lugo. Tamén fica en liberdade o concelleiro socialista de Cospeito, M.A.P.Y, ligado a unha empresa da construción. Arestora as detencións practicadas ao abeiro do caso "Pokémon" xa atinxen a 23 persoas. Porén, só tres delas foron enviadas a prisión. Son o responsábel da ORA de Lugo, J.R.P., o presidente do Grupo Vendex, G.R.R.A, e o ex-presidente da confederación hidrográfica Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares. As últimas persoas detidas, un matrimonio do Carballiño, un empresario da Fonsagrada e outro de Vigo, sairon en liberdade. Tamén quedou libre, baixo fianza de 20.000€, o propietario da empresa Sanle, M.S.
NOS_25539
A autodenominada Escuadra Negra de Sarria está asociada a algúns dos capítulos máis terríbeis do terror franquista nesa comarca. Impulsada pola dirección local da Falanxe Española, dirixida naquela altura polo xefe territorial da Galiza, Mario González Zaera, moi ligada ás vellas elites da dereita procedentes da Restauración como o deputado da Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA), Manuel Saco Rivera.
A "Escuadra Negra " non é o único operativo paramilitar activo na comarca de Sarria após o alzamento fascista. Ao seu carón actúan milicias organizadas en parroquias e en concellos da contorna así como na área da Ribeira Sacra. Destacan, entre as primeiras, as articuladas en Sarria, mandadas por Manuel Carrozas Varela, Javier Saco Rivera e Manuel López López 'O Mao de Ribela', en Paradela, dirixida polo xefe local de milicias por Camilo Rodríguez 'O Rubio de Vilamaior' e Manuel Pérez López 'O Monxo' ou no Incio, arredor das parroquias de Eirexalba e Laiosa baixo a xefatura de Manuel Díaz Gómez 'O Chaquetón'. Signifícanse, entre as segundas, as de Bóveda, a cuxa fronte se sitúa Ramón Salgueiro Vázquez e Louredo, as de Monforte e as de Ribas de Sil. As orixes da Escuadra Negra de Sarria remóntanse aos días posteriores a 18 de xullo de 1936 e o seu nacemento contextualízase no operativo represivo articulado polo franquismo. Segundo se sinala nun informe da xefatura da Falanxe de Lugo recollido na causa 578/37, que "é publico e notorio, naquela vila de Sarria, que esta 'Escuadra Negra' que actuaba por ordes dos entón xefes da Falanxe Eduardo Gómez (alias) Requejo e Mario González Zaera e estes á súa vez semella posíbel que o facían ás ordes do seu constante xefe político e dinástico cacique daquel partido sr. Saco Rivera". Neste sentido e en idéntico procedemento, o membro da mesma, José Castro Castro, 'Pepe de Arturo de Eirexalba' declara "que os xefes da Falanxe de Sarria, Carrozas e Requejo, a cuxas ordes actuaba a escuadra, bautizárona co nome de Escuadra Negra". Mario Zaera A actuación represiva do máximo responsábel da Falanxe na localidade, Eduardo Gómez Requejo, e do xefe territorial da organización na Galiza, o sarriao Mario González Zaera, merece unha consideración particular. Condenados a morte polas autoridades franquistas en 1938 e posteriormente rehabilitados con cargos na Administración, nas causas 1165/36 de Lugo e 1/38 de León recóllense duciasde testemuñas das súas prácticas criminais. Así, nesta última, nun informe reservado da xefatura nacional de Seguridade sinálase "que aínda se comenta con horror a actuación de ambos en dita vila. Cometéronse toda clase de crimes co obxecto de apropiarse do metálico das súas vítimas e fixéronse toda clase de violacións con mulleres que non tiñan máis delito que gustar fisicamente aos seus inmoladores". As coincidencias entre as fontes orais e escritas permiten que nos acheguemos con certa precisión á estrutura organizativa e composición social da milicia fascista. A instrución da causa 578/37 sinala como primeiro responsábel directo da mesma a Manuel Varela Álvarez 'O Coxo de Bóveda', un empregado do republicano sarriao asasinado, Vicente Páramo. O servizo de información da xefatura da Falanxe de Lugo sinala no procedemento que "nos seus principios dirixiuna o camarada Manuel Varela (alias) Coxo", apuntando no mesmo sentido José Castro Castro que "esta escuadra estaba mandada no comezo polo 'Coxo de Bóveda' e despois por un tal Mendoza da Casa da Picota de Laiosa do Incio". Queres seguir coñecendo máis sobre 'Os nomes do terror'? Atoparás o coleccionábel no Nós Diario que tes no quiosque ou na loxa para a súa lectura na nube. Se queres contar con todos os capítulos, subscríbete xa ao diario!
NOS_56572
Un gol de Gabri Veiga en Balaídos valeulle ao Celta para garantir estabilidade na clasificación. Nunha xornada de altibaixos, o Rácing de Ferrol convértese en líder de Primeira RFEF mentres que o Lugo, o Dépor e o Pontevedra continúan a sementar dúbidas coas súas derrotas. O Celta B, pola súa parte, rabuña un tanto fóra de Barreiro.
O Celta pasou a proba. Sen Iago Aspas no campo por problemas gástricos e con Coudet na Arxentina por temas familiares, o Betis era un rival serio situado nos primeiros postos da clasificación. Porén, ao equipo celeste saíulle unha xornada redonda aínda que tocou sufrir nos últimos minutos. Gabri Veiga, a canteira chama á porta Na primeira parte chegou un gol temperán de Gabri Veiga que certificou que aspira a todo neste equipo e xa hai quen o sitúa na estela de Aspas. Na segunda parte comprobouse que na portaría hai seguridade, cun Marchesín que tivo até cinco oportunidades de demostrar a súa valía. O resultado final, 1-0, sitúa aos celestes na metade da táboa e con azos para enfrontarse ao FC Barcelona o vindeiro domingo (Camp Nou, 21 horas). O CD Lugo segue caendo Nova derrota do CD Lugo, desta vez na súa visita ao Ibiza, e novas dúbidas sobre un equipo que Hernán Pérez non consegue estabilizar. Malia os cambios que introduciu o adestrador segue a ter problemas en zonas como a defensa. Os de Lugo acumulan catro xornadas sen gañar e levándose un punto dos doce posíbeis. En Ibiza acentuouse esta debilidade cun resultado final de 3-2 . En Primeira RFEF, o Rácing de Ferrol segue a soñar. Sumou tres puntos máis na súa visita a Badaxoz (0-3) e xa contabilizou 16 puntos dos 18 posíbeis até agora. Un gol en propia porta, un penalti que transformou Manu Xusto e outro tanto de Chacón conseguiron a goleada e situar ao equipo de Parralo como líder da categoría. Ferrol e Celta B salvan a xornada A poucos quilómetros, na Coruña sucedía todo o contrario. O Dépor perdeu en Riazor diante do San Fernando por 0-1 nun partido que evidenciou que o equipo non atopa solucións en ningunha das súas áreas. A afección rematou pedindo a dimisión de Borja Jiménez no primeiro aviso serio da tempada. O Celta B, pola súa parte, segue sumando puntos, desta vez de visitante no campo do Linense. O marcador final de 1-1 non amosou as posibilidades que tiveron os celestes de ter colleitado unha vitoria. Por último, o Pontevedra volveu de Mérida cunha derrota (2-0), a segunda da tempada, que demostra que o equipo segue sen estar cómodo no campo. Malia o control do balón en certas fases do partido a falta de culminación provocou que o rival aproveitara as súas, algo que nesta categoría non se perdoa.
PRAZA_12910
Os populares rexeitan tres propostas da oposición para aplicar o Plan Xeral de Normalización pactado en 2004 e quedan sós na defensa dunha iniciativa sobre o galego nas redes sociais
O 8 de febreiro de 2009 chovía en Compostela. O inverno tentaba ofrecer unha demostración de forza antes da primavera e, nas rúas da capital, o colectivo coñecido como Galicia Bilingüe tentaba facer o propio antes da campaña electoral que comezaba poucos días despois. Xunto aos membros e partidarios desta asociación, chegados de ambas marxes do Padornelo, manifestábase a deputada Rosa Díez, que buscaba o desembarco do seu partido en Galicia, e tamén o facían altos cargos do PP como o que apenas dous meses despois sería conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, o hoxe alcalde da Coruña, Carlos Negreira, ou a actual ministra de Fomento, Ana Pastor. Entre lemas máis ou menos grosos rexeitaban a suposta "imposición" do galego e reclamaban "liberdade" fronte ao "adoutrinamento" lingüístico ao que, aseguraban, sometía a Xunta de PSdeG e BNG á sociedade galega en xeral e ao estudantado en particular. Cerviño insta o PP a esquecer "as súas concesións aos 'pijos', patufos desleigados e extremistas de dereita" Máis de tres anos despois daquela manifestación, máis abondosa en titulares que en asistencia, os populares encaran a recta final da lexislatura coa política lingüística en segundo plano. Afastados das controversias creadas no inicio do mandato en torno a polémicas medidas como o chamado decreto do plurilingüismo, este martes achegaban ao Parlamento unha iniciativa cun ton ben distinto ao das marchas formalmente bilingües. Defendida pola deputada Marisol Piñeiro a proposta, moi breve no contido, apostaba por instar a Xunta a "fomentar o uso da lingua galega nas redes sociais" de Internet. A intención, di a deputada, é crear "entornos favorables" para que a mocidade "faga uso do galego nas rúas relacións persoais", tamén a través de Facebook, Twitter ou Tuenti. Pero este non foi o único debate lingüístico da sesión. Nos minutos previos un dos asinantes da iniciativa sobre o galego nas redes sociais, Pedro Arias, subira á tribuna nun debate sobre o sector naval para pronunciar, como adoita facer, unha intervención integramente en castelán. Xusto antes o voceiro popular en materia de lingua, Agustín Baamonde, anunciara o seu voto en contra a unha proposición coa que o PSdeG reclamaba a aplicación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL) no referido aos medios de comunicación reclamando, por exemplo, que se condicionen as axudas á prensa por uso do galego a que a lingua propia se utilice "nas seccións centrais", que a súa presenza se incremente de xeito "progresivo" ou que existan controis "a posteriori como condición para a percepción da subvención". Lobeira: "A día de hoxe utilízase menos galego nos medios que hai 35 anos" Para o autor da iniciativa socialista, Francisco Cerviño, o PP tiña na súa proposta unha oportunidade para esquecer as súas "concesións aos pijos, patufos desleigados e extremistas de dereita". Os riscos aos que está exposto o idioma, di, son "reversibles se o Goberno cumpre coa súa obriga legal e moral" e fai "o que esta Cámara lle indicou -por unanimidade no ano 2004-" co PXNL. No caso da prensa, ademais, poñer en marcha estas medidas suporía, dende o seu punto de vista, deixar de utilizar "as subvencións para influír na liña editorial" e "reafirmar a supremacía dos políticos electos sobre os magnates que ninguén elixiu". O plan do PSdeG recibiu o apoio do BNG, que a través de Bieito Lobeira describiu un "panorama desolador" para os medios en galego a consecuencia da "política de terra queimada" que, acusa, practica a Xunta neste ámbito. "A día de hoxe utilízase menos galego nos medios que hai 35 anos", lamenta, un "ermo absoluto" que podería paliarse se o Goberno aplicase "os acordos construídos en base ao acordo político do PXNL". Pero nin uns nin outros argumentos mudaron a posición do voceiro do PP, quen considerou que a iniciativa do PSdeG "é puramente tautolóxica" e "non serve para nada", entre outras cousas porque "xa existen" axudas para os medios en galego. Dende o seu punto de vista, "non fai falta ser un atento observador" que os grupos da oposición só tentan "quecer motores de cara" ás mobilizacións do Día das Letras, "facer pinza" e crear unha "axitación social" que "as medidas que vén tomando o Goberno non xustifica". O PP acusa a oposición de tentar "quecer motores" para "utilizar politicamente" o Día das Letras Foi neste clima no que chegou o debate sobre a devandita iniciativa en torno ás redes sociais, á que socialistas e nacionalistas tentaron, sen éxito, engadirlle senllas emendas instando a aplicar o PXNL, neste caso as medidas referidas á mocidade. Para Lobeira, os conservadores só tentaban desenvolver "a estratexia coñecida como galleguistas un día al año" a través dunha iniciativa só "aproveitábel dende o punto de vista humorístico", xa que inclúe afirmacións como que a Xunta abriu "novos espazos para o uso do galego". Para a socialista Silvia Fraga o PP tentou un "lavado de imaxe" sen ter en conta que o galeguismo "non consiste en comer polbo e empanada en actos multitudinarios". "Están quecendo motores para o 17 de maio", insistiu dende o PP Marisol Piñeiro. "Debérano celebrar como Día das Letras Galegas" e non "sectaria e politicamente", recomendou.
NOS_23095
Conversamos cos Liviao de Marrao, que chegan desde Chantada, a capital do bravú, para traer ao presente aquel movemento que naceu dun texto, o Manifesto de Viana, van alá 20 anos.
Bramando desde a capital do bravú, os Liviao de Marrao son nove e prometen ferrados de festa. O seu disco, Matança Eta Filhoak, inclúe até un narco-corrido para bailar o agarrado no campo da festa! Polo de agora algo xa conseguiron: que recuperemos formas en desuso para falar dos pulmóns (liviao) e dos porcos (marraus). Que máis nos contan? Se lles digo o nome dunha taberna, Caballero de Viana, e acrecento que "vivimos no cú do mundo pero temos forza para tronzar o universo", vénselles algo á cabeza? Vénnos o Manifesto de Viana, do cal este ano se celebran 20 anos. 20 anos de bravú. 20 anos de "arroutada e emoción", que diría o druída de Monte Alto --en referencia a Xurxo Souto--. De bravú ou bravío, do cheiro da música sen castrar. "Os 20 anos do Manifesto de Viana é unha efeméride que merecería moita atención neste ano, embora sexa unicamente por reverter o mal costume de sabermos onde fica o Támesis e non o Tea" Da cultura rebelde que actualiza cada día quel dito de Risco: "Ti dis que Galiza é ben pequena, Galiza é o mundo". Achamos que é unha efeméride que merecería moita atención neste ano, embora sexa unicamente por reverter o mal costume de sabermos onde fica o Támesis e non o Tea. Pulmóns de Porco. Era estritamente necesario levar o nome dunha víscera? E saben vostedes que a todo porco...? Lle chega o seu San Martiño, si, sabemos [risos] Era necesario procurar algo que identificase claramente o que queriamos transmitir. E, no mínimo, serviu para revitalizar un termo que caia en desuso. Pub Besto Bravo, maio de 2011, unha semana despois das municipais. Que aconteceu alí? O domingo das municipais incorporamos Marcos, o batería. Unha semana despois, no infelizmente xa encerrado Bestro Bravo, nacía Liviao de Marrao Moito ensaio xa vedes que non había... Pinto de Herbón dicía que facía 'Ajro Rap', Xenreira falaba de 'Rock Irmandiño', Os Papaqueixos preferían a denominación de 'Música castrapa' e os Herdeiros 'Castrapo sinfónico'. E vostedes? Como definen a súa música? "O denominador común da nosa música é a liña que inaugurou o bravú: letras con espírito crítico e cheas de retranca e historias da nosa terra" Nós chamámoslle pós-neo-bravú. Aínda que misturamos estilos musicais como o rock, o punk ou o ska, o denominador común da nosa música é a liña que inaugurou o bravú: letras con espírito crítico e cheas de retranca e historias da nosa terra. Como o bravú hoxe xa é historia, fixemos un arremedo do que fai a post-modernidade, por iso o pós-neo. Non deixa de ser, xa que logo, unha brincadeira. Sentímonos herdeiros daquel movemento e mofámonos da moda de procurar etiquetas 'último modelo'. Se fosemos almáns chamariámoslle Volkmusikswine [risos] Para quen tocan? Vense amenizando a verbena dunha parroquia de Chantada? Tocamos para nós. Para o pasarmos ben e coñecermos o mellor deste país a través das súas xentes, moitas delas fundamentais como colectivo para manter viva a cultura desde unha ollada crítica e rebelde. "É difícil explicar o que se sente tocando nunha aldea de, con sorte, 50 habitantes que se xuntan para ver algo tan diferente á Panorama" O 31 de agosto estivemos en Esmoriz, nunha festa de aldea de, con sorte, 50 habitantes. Tocamos nun cenario de varios ferrados... [risos] É difícil explicar, a verdade, que é o que se sente ao ver tanta xente naquela romaría para ver algo tan diferente á --orquestra-- Panorama. Coñecinos no Castañazo de 2012, partillando cenario cos 'pais' do bravú: Os Diplomáticos, Os Rastreros e Os Papaqueixos. Se non foi este o desexo que tiveron cando comezaron a tocar de seguro que foi algo semellante... ou non? Cando comezamos nunca pensamos chegar a tanto. Comezamos con cinco integrantes e xa somos nove. Aínda non acreditamos en que goste o que facemos. "A única pretensión que tivemos foi sempre divertirnos" A única pretensión que tivemos foi sempre divertirnos. Todos son grupos referenciais para moitos de nós, á altura de Songoku e da Nocilla. E alá estaban tamén os Cuchufellos, un dos grupos en mellor forma do panorama musical galego, bourando desde Maceda de Trives. Que se sente ao tocar a Muiñeira de Chantada diante daquela manchea de xente moza a bailar? Os sentimentos profundos, coma o amor, poden porse en poemas e músicas, mais non se entenden ben esas creacións culturais até que non se vive por un propio ese sentimento. Adoita ser a nosa última música nos concertos polo que o sentimento é agridoce... Musicaron un poema de Manuel María e versionaron a 'Tractorada' dos Rastreros. Que máis empréstitos teñen por aí? Todo o que facemos son empréstitos. Na linguaxe musical e na literatura todo son empréstitos. Kropotkine en La Conquête du Pain --título orixinal en francés do libro do escritor ruso Piotr Kropotkine e que foi traducido para o galego polo colectivo Lume Negro en 2010 co título A Conquista do Pan-- ten un trecho precioso onde explica isto mellor que nós. Porén, podemos resumilo no "os que estaban alí eran cegos?" de Eduardo Galeano cando fala da descoberda da América. Co sacristán de Basán os Rastregos ensináronnos o que non entenden na 'ciudá'; coa Oda ao futbolín soubemos de Alexandre de Fisterra e da máquina compartillada --fronte ao autismo das consolas-- á que homenaxearon os Diplomáticos; con O caimán do río Tea demos voltas na lavadora e com Yellow Pixoliñas coñecemos a xeografía do País coreando o 'Xabarín xa te vin' entre bocado e bocado de pan con Nocilla detrás da cociña de leña, namentres faciamos as tarefas que nos poñían na escola. "O Xabarín foi unha iniciativa excepcional, mais só unha pinga no mar" A Xeración Xabarín rachou tabús coma aquel que dicía que o galego non valía para o rock e desenvolveu a función para a cal a TVG fora creada: difundir a nosa cultura. No panorama actual, cando para difundir esa cultura a Xunta escolle escritoras que presumen de dicir 'Rianjo', facer contra-cultura é só un desexo ou tamén unha necesidade? Nós non acreditamos que substancialmente sexa diferente o panorama daqueles anos do actual no eito cultural galego, polo menos para quen estaba nas marxes do sistema, dun sistema minorizado. O Xabarín foi unha iniciativa excepcional, mais só unha pinga no mar. Noutras cousas estamos mellor hoxe. Chega con deitar unha ollada a todos os festivais con que conta esta nación. Somos unha potencia, embora as institucións contribúan máis para por atrancos do que facilidades á sociedade civil. A necesidade non chega a asinalar. Hai que sentila e o repto é conseguir que o maior número de galegas e galegos sintan a necesidade de vivir e coñecer a súa propia cultura. Fan falla moitos Memmis --falan de Albert Memmi, ensaísta autor do libro Retrato do colonizado, precedido do retrado do colonizador--. Cando ouvín 'A Pesetiña' pensei naquel 'Caciques' dos Diplomáticos. Escriben as letras coa idea da contestación social ou facer rock bravú en 2014 desde unha aldea do interior ten xa suficiente carga de contestación social? 'A Pesetiña' naceu un domingo nun ensaio en que había máis gañas de contar anécdotas que de mover os dedos. A contestación social que poida ter apenas a pode descifrar quen padeceu os caciques. Temos ganas nese sentido de recuncar co tema dedicado a Don Pedro de Agromán, un rural thriller. Un suceso real que aconteceu após a longa noite de pedra en que os caciques de Alianza Popular e UCD tiveron un papel moi destacado permitindo que un individuo se presentase dicindo que ía facer a autoestrada Lugo-Ourense comezándoa en Chantada e ao cal se lle facilitou de todo... "Nen gostamos do noso tempo nen do noso lugar. Cando gostemos, faremos a música que fai Iván Ferreiro" Con 200.000 pesetas, obtidas como 'agasallo' por quen ía por as palas e os camións para a obra, obtiveron 2.000.000 no Banco Central Hispano e iso é apenas un exemplo da magnitude daquela estafa. Agora a imprensa, para faorecer o todos son iguais e que gobernen os de sempre, vennos co de Vendex, cando quen todos sabiamos que iso era un conto vello. Queiramos ou non, todas e todos somos fillos dun tempo e dun lugar e nós nen gostamos do noso tempo nen do noso lugar. Cando gostemos, quizais xa nen fagamos punk, nen ska, nen bravú, sexa o que for iso! [risos] Se callar, faremos a música que fai Iván Ferreiro [risos] "Coñecer o papel dos intermediarios na industria do leite, dos caciques e de todos os parásitos do rural dá tanto para comprender quen son os fideicomisarios da burguesía, apreséntense cunha gaivota ou cunha rosa" Como dicían os Garotos Podres, "eu non gosto do goberno, nen do pasado nen do presente, nen moi probábelmente do futuro". Iso non ten a ver con post-moderneces do tipo todos son iguais, senón con sermos conscientes de que a cidadanía ten que conquistar o mundo que quere. Axuda ser do rural para iso. Coñecer o papel dos intermediarios na industria do leite, dos caciques e de todos os parásitos do rural dá tanto para comprender quen son os fideicomisarios da burguesía, apreséntense cunha gaivota ou cunha rosa. Dá até para entender quen son os directivos das caixas ou para ler O Capital --obra de Karl Marx-- e decatarnos de como o diñeiro é a mercadoría por excelencia, cuxa excrescéncia é o financiamento e a globalización. 'Garabatos' é a nosa forma lírica de explicar todo isto. Ferrados de festa. Esa é a súa oferta para este ano. Para cando o seguinte concerto? Xa encerrado e confirmado temos en maio do Festival do Freixo, mais agardamos que este ano sexa movido. Un pracer falar convosco e vémonos nos #2014FerradosDeFesta! NOTA: esta entrevista foi realizada por escrito. As respostas de Liviao de Marrao foron redixidas en portugués padrão e 'Sermos Galiza' fixo a correspondente adaptación para a normativa RAG.
NOS_34650
O líder de CiU e titular do Goberno catalá cre que este 9-N significa a conquista definitiva dun dereito e rexeita que unha democracia poida permitirse "intimidacións" como as de Madrid.
O presidente da Generalitat de Catalunya, Artur Mas, votou 'si-si' ás dúas preguntas e defendeu o proceso participativo do 9-N: "Despois de todo o que fixemos, gañamos o dereito a un referendo definitivo; si pode ser, pactado co Goberno", dixo, en alusión esta última a Madrid. "Non entendo que Rajoy diga que isto non é un referendo nin unha consulta pero que intente bloquealo nos tribunais", dixo o líder de CiU tras votar en Barcelona, onde explicou o seu dobre 'si' dicindo que chegou á conclusión de que esa "é a mellor opción". Mas tamén afirmou, entre centos de xornalistas, que lle custou enormemente chegar ata este 9-N e engadiu: "Que nos deixen tranquilos: cando se está en democracia non se entenden certas intimidacións".
NOS_13446
O réxime israelí segue a violar territorios palestinos. Segundo dá a coñecer a ONG Paz Agora, Israel confiscou 11 hectáreas no norte de Cisxordania para edificar unha nova zona industrial.
Paz Agora, ONG israelí que fai seguimento dos asentamentos ilegais das autoridades de Tel Aviv, Israel confiscou un total de 11 hectáreas na zona norte da Cisxordania ocupada para construír unha zona industrial. A zona industrial ficará baixo a xurisdición do Consello Rexional Shomon, que representa os intereses das colonias ilegais que Israel construíu na Cisxordania ocupada. Estas 11 hectáreas súmanse ás 11,5 que confiscou Tel Aviv en Al-Zawiya e a outras 126 previamente declaradas "terras do Estado". Outras tres hectáreas foron incautadas para a construción dunha autoestrada. A ONG tamén salienta no seu último informe que en marzo Israel declarou como "terras do Estado 234 hectáreas para construír o asentamento ilegal de Almoq". Aliás, denuncia que Israel se fai con terras palestinas sen que os propietarios teñan a oportunidade de acudiren aos tribunais.
NOS_16398
A Universitat Autònoma de Barcelona (UAB) acolle durante o presente mes de decembro unha exposición que pasea pola vida e obra do dramaturgo compostelá, mostra organizada por Estudis Gallecs UAB e coa que se quere achegar este autor á cidadanía catalá.
Barcelona ten este mes a oportunidade de descubrir (ou lembrar) a Roberto Vidal Bolaño, e de se achegar á súa obra. A Universitat Autònoma de Barcelona acolle unha exposición sobre a vida e obra do dramaturgo compostelá, mostra organizada por Estudis Gallecs UAB. Durante todo o mes de decembro, a Facultat de Filosofia i Lletres da Universitat Autònoma de Barcelona acollerá unha exposición sobre Roberto Vidal Bolaño o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. A exposición está formada por 10 carteis que mostran unha panorámica da vida e da obra do dramaturgo de Vista Alegre (Compostela). A selección de textos e imaxes da exposición foi elaborada pola Asociación Roberto Vidal Bolaño, asociación cívica que impulsou a conmemoración deste ano como Día das Letras Galegas para Roberto Vidal Bolaño. A edición foi feita pola Xunta de Galicia.
NOS_43507
Poétic@ inaugura novas formas de creación e lectura para a poesía. Instalación poética, hiperlibro ou poesía dixital, coa súa nova obra Fran Alonso achéganos ás posibilidades da rede para o discurso poético no Día Mundial da Poesía que se conmemora este 21 de marzo.
A nova obra do escritor Fran Alonso, de acceso libre, convida a reflexionar sobre a escrita e recepción da poesía, a divulgación, as posibilidades de interconexión a través da rede e mesmo sobre o propio concepto de obra literaria. -Que mudanzas supón un proxecto como Poétic@ no proceso creativo da escrita? Os cambios empezaron xa no papel, no proceso de escrita inicial. Pensei o poemario xa con estrutura de rede, con internet na cabeza. Nace desde esa intención e iso facilitou moitas cousas. Foi a primeira fase onde se crean todos os circuítos internos que fan remitir dunha cita a un poema, dun poema a outro... de forma fragmentaria. Tiven que asimilar o proceso online, das plataformas, botando man da tecnoloxía e dos expertos e entra aí unha nova dimensión que aporta novo valor, significados, recursos... outra forma de entender a relación co texto, que condiciona todo. Por exemplo, eu non tiña títulos en moitos poemas e tiven que poñelos porque cada páxina precisaba unha url distinta, é dicir, condicionaba o propio proceso creativo. Todo isto acontece na ciberescrita, que ten os seus condicionantes, mais témonos que afacer a traballar desta maneira. -Unha das cuestións que se presentan é cando se remata a obra. Na edición en libro era fácil, cando saía publicado. Poderíase estar modificando sen límite... A xente di que é inabarcábel, que unha ligazón leva a outra, que comezas a xogar e desviarte e acabas navegando de forma caótica, deixándote absorber polo propio xogo. Iso mesmo sucedeume como creador. Iso comentáballo a Cris de Estudi1Llimona, de Palma de Mallorca , con quen traballei na elaboración do soporte. Tiñamos unha xuntanza semanal a través de skipe e dicíalle que era terríbel, que arrastraba. Mesmo agora podería seguir engadindo algo. O libro poderíase manter vivo. -Muda entón tamén o concepto de "obra" como produto rematado? Agora existe a posibilidade de ter unha obra en proceso de creación permanente. Poétic@ son pasos exploratorios do que vai vir na literatura. Non sei como se verá isto dentro de vinte anos. Sospeito que isto vai mudar substancialmente, camiñamos de forma decidida cara o dixital e, neste sentido, dáse unha dimensión participativa na obra literaria. O lector deixa de ser un axente pasivo no concepto tradicional. -Ese lector que deixa de ser pasivo débese á posibilidade de poder optar polas múltiples lecturas que ofrece o entorno dixital? Cando picas nos enlaces e déixaste levar polo entramado de ligazóns, comezas a navegar de forma autónoma e trazas o teu propio itinerario. De todas maneiras, neste caso nós quixemos darlle un certo deseño de páxina que evoca o libro físico, mesmo con ese branco roto da calidez do papel, para lembrar que estamos diante dun libro máis no que a normas e regras de xogo son distintas. "Camiñamos de forma decidida cara o dixital e, neste sentido, dáse unha dimensión participativa na obra literaria". -Unha das posibilidades desa lectura en espiral é que vostede, como autor, pode convocar na súa obra outros autores, ademais, en diversos soportes. Trátase dun valor engadido moi significativo. Desde o propio texto intento chegar á expresión de instalación poética. Nese sentido, hai poemas que están conformados mesmo só por citas. Tamén pode ser en papel, mais aquí hai un discurso que nos leva á creación doutras persoas, mesmo con conceptos antagónicos. Ás veces manteño unha determinada tese e para crear contradición introduzo unha cita, vídeo ou ligazón antagónico. É unha maneira de confrontar, de crear contradiscurso e poñer todo en cuestión nun libro que intenta debater a dificultade entre o importante e o banal. Aliméntome de forma significativa coa aportación deses outros creadores. -Esa cita activa, hipertextos e enlaces, obrigan a repensar o concepto de dereitos de autoría na rede? Os vellos conceptos están caducos. Hai que habilitar novas fórmulas e temos que ir a unha consideración distinta do que son as citas e os dereitos de autor. Eu teño varios tipos de estratexias para agregar ese contido, unha é incorporando á propia páxina e outro a través de enlace, ás veces nunha ventá emerxente e outras a través de enlace, a veces nunha ventá emerxente. O que fago é traer contidos que na rede se forma habitual, aliméntome co tecido da propia rede. A Lei da propiedade intelectual, a pesar de ser nova, está xa caduca. A lexislación terá que incorporar a nova casuística. Cando menos temporalmente, terémonos que guiar por pactos de boa vontade e, nese sentido, o meu traballo, por exemplo, compártese con licencia creative commons. "Os vellos conceptos están caducos. Hai que habilitar novas fórmulas e temos que ir a unha consideración distinta do que son as citas e os dereitos de autor". -Hiperlibro de poemas, instalación poética, poesía dixital, transmedia, electrónica... que definición acae mellor a Poétic@? Atopar as palabras xustas é complexo neste ámbito tecnolóxico no que o corpus léxico medra a toda presa e incorpora novas palabras que temos que estar continuamente consultando. Non sabería dicilo ben mais está claro que é un hiperlibro porque non só está o que que fago, a través del podes descubrir outras persoas que son autoras, de poesía e doutros ámbitos. -O soporte permite, poño por caso, que o público lector se poda atopar non co texto senón mesmo co propio poeta recitando ao vivo os seus versos... No libro aparezo en varios planos. Un deles é audio no que versiono algúns dos poemas, logo hai ligazóns a outros arquivos de audio que non son do propio libro e logo están os vídeos nos que aparezo. Son complementares á linguaxe poética que non é só textual senón tamén audiovisual e mesmo iconográfica xa que están incorporados os emoticonos. O libro fai unha reflexión ácida e corrosiva sobre a propia poesía e os seus mitos e non podería ser crítico se non o fose comigo mesmo. Ese é o outro plano no que aparezo, rindo de min mesmo. -Por vez primeira na entrevista aparece o contido da obra, non teme que o peso da arquitectura sobarde a condición literaria da obra? Penseino. Polo seu carácter novidoso pode suceder que o texto fique solapado e agochado en función da forma. Pode suceder, quizais tamén polo seu carácter informal, por ese humor pouco habitual do texto, que nin sequera é normal para min. -"A poesía é un xénero/ tan sublime/ que non atopa lectores/ para tanta grandeza". Poétic@ responde con ironía á solemnidade da poesía? Foi unha das intencións desde o principio e niso radica ese discurso humorístico. É un poemario que pretende achegarse, estar máis cerca, abandonar e criticar a solemnnidade para facerse máis cotiá e máis próxima cun discurso que sexa capaz de conectar cun lectorado máis amplo. -Vostede mesmo ten definido a obra como "corrosiva", pode ferir sensibilidades de quen defende esa condición trascendente da poesía? No libro recóllese un discurso contraditorio, a veces mantéñense teses que se rebaten. Forma parte de que a poesía é ampla e variada e admite polidiscursos, non ten por que ser monolítica. O que acontece é que procedemos dunha tradición e, por cuestións políticas e culturais, vivimos á defensiva e iso roubounos o humor. Tamén a min me pasa, na vida cotiá manéxome con moito humor e cando reviso o que escribo vexo que non desaparece, por que? Porque procedemos dunha tradición transcendente na que case non houbo espazo para o humor que é o que nos fai sobrevivir, salvar. O humor fai que nos riamos de nós mesmos e permite vernos con ollos autocríticos. En Poétic@ este discurso está omnipresente. "Estamos máis necesitados que nunca de divulgar a nosa produción cultural". -Poétic@ publicado en varios idiomas e de acceso gratuíto, pode acadar novos públicos para a poesía? É un enigma, supoño que si. A impresión que me dá polos comentarios que a xente me fai principalmente a través de twitter é que se enganchan ao libro e esta é unha nova maneira de achegarse á poesía, igual que Poetízate conseguiu moitos novos lectores. Con novas formas de lectura poden vir tamén novos lectores. -Obras súas como a propia antoloxía Poetízate que vén de citar ou o libro O meu gato é un poeta falan desa teima súa por achegar a poesía á xente nova... Considero que é necesario divulgar a poesía, facela asequíbel e achegala á xente que moitas veces non está próxima por prexuízos. Vivimos un momento histórico moi complexo para a lingua. A cultura a a lingua galega precisan dunha palabra: divulgación. Estamos máis necesitados que nunca de divulgar a nosa produción cultural. Centrámonos na creación e o futuro está aí. Toda a excelencia do que se fai precisa chegar aos lectores e lectoras en todos os ámbitos da arte, da creación e a cultura. As institucións públicas debían estar traballando nese aspecto con intensidade e se non o fan é porque son absolutamente torpes. Un país que non é quen de proxectar a súa cultura non é quen tampouco de captar recursos económicos. Atraer proxectos e investimentos non se pode basear en vídeos de Enrique Iglesias senón en exportar un país potente con proxección internacional. -A rede facilita esa proxección internacional? A rede abre ese enorme caixón de oportunidades para traspasar fronteiras. Internet non ten barreiras e esa é unha das súas vantaxes. -O deseño e produción dunha obra como Poétic@ é custoso e, en principio, non semella que incorpore mecanismos para que ese investimento teña retorno. Hoxendia non hai modelo establecido que permita non digo xa gañar diñeiro senón mesmo amortizar o gasto. Para unha editora apostar por unha iniciativa así é moi complexo porque o beneficio non é económico senón a divulgación do propio traballo. Compre telo en conta e sobre iso tamén hai que reflexionar. Teño a intuición, de todas maneiras, que este tipo de plataformas se van abaratar e incluso que futuros creadores terán coñecementos técnicos para botalas a andar por si mesmos. Supoño que tamén nese aspecto todo está a mudar. -Coida que está a inaugurar un camiño polo que transitarán máis creadores e creadoras? Estou certo de que hai proxectos literarios nesta liña que se me escapan, agora, no que coñezo non se parece ao que eu fixen en Poétic@. Tanto a deseñadora coma min tiñamos claro isto e, nese sentido, si creo que pode abrir camiños e non só iso senón servir como acicate, animar á xente a explorar a creación electrónica e dixital. Supoño que no futuro se verá como algo exploratorio e iniciático. -"O meu hipertexto afogou no papel", di. O tránsito é sen volta, con dirección cara o dixital? Que futuro lle queda á edición en papel? Durante un tempo darase a convivencia entre ambos. Eu mesmo non abandono o papel mais todo apunta a que o ámbito dixital sexa o que se impoña. Se a lectura en papel ten futuro, a creación en papel tamén o terá. Gran parte dos creadores funcionan impulsados pola evolución no ámbito da lectura. -Nun tempo como o que estamos a atravesar que papel lle queda ao poeta? Se aos escritores lles queda algo de voz é por ese prestixio mínimo que aínda manteñen, vencellado ao do libro, mais é mínimo e a voz dos poetas e escritores en xeral está cada vez máis apagada. Vivimos nun mundo de cambio vertixinoso e compre reivindicar o papel que merece a literatura, mais desde a honestidade e a humildade.
NOS_4119
Sen novidade na frente: En Marea irá si ou si o 28A como partido e non se coaligará con ningún grupo. Só a fórmula partido "garante grupo [parlamentar] propio", insistiu esta sexta feira en conferencia de imprensa Luís Villares, quen instou Anova, EU e Podemos a que trasladen ás súas bases, mediante referendo, a sua oposicion a concorrer ás xerais como En Marea.
"Non vai haber cúpulas por detrás que pacten postos de saída, en En Marea isto vano elixir os inscritos. Quen queira unha fórmula diferente vai ter que explicar como se van elixir os candidatos e se a xente que se partiu o lombo estes anos vai poder participar", dixo Villares aos meios. Só a fórmula partido e o método das primarias abertas garante participación plena da militancia independente, a maioría, recalcou, entre as persoas inscritas. A fórmula coalición impide formar grupo parlamentaro en Madrid e resulta nun reparto das candidaturas entre os "VIP" dos partidos. Contestou Villares as críticas formuladas pola líder de Esquerda Unida, Eva Solla, quen censurou que a En Marea oficial se teña tornado nun "partido clásico". "Considerámonos calquera cousa menos un partido tradicional. Aspiramos a ser o espazo de síntese e reproducimos o que son as marés municipalistas", dixo. E argumentou tamén que Eva Solla si se pode presentar como candidata ás primarias de En Marea e, en troca, "nunhas primarias de EU ningún de nós poderiamos participar". Villares tentou transmitir unha sensación de normalidade. Hai unha única legalidade interna, o calendario de primarias aprobado polo Consello da Marea o sábado 16 de febreiro, e ao líder da confluencia non lle consta que ningúen do espazo rupturista vaia lanzar unha marca alternativa. Nese sentido, revelou que nos últimos días mantivo contactos cos líderes de Anova, EU e Podemos e que, á luz desas conversas, se pode manter o criterio de que "a día de hoxe" a única lista en liza será a de En Marea, "que ten unhas primarias en marcha", Villares pronunciouse nestes termos durante unha conferencia de imprensa convocada para presentar a xornada 'Financiamento Local: desafíos para os novos gobernos municipais' que, baixo a organización de En Marea, terá lugar este sábado no compostelán colexio maior Fonseca.
NOS_31895
O mellor lanzamento da galega alcanzou os 18,01 metros, a súa segunda mellor marca persoal.
A mugardesa Belén Toimil finalizou o Campionato de Europa de Pista Cuberta que se está a desenvolver na localidade polaca de Torún en sétima posición na modalidade de lanzamento de peso. Despois dunha fase de clasificación espectacular, na que bateu o récord de España e conseguiu a mínima olímpica após alcanzar os 18,64 metros, a atleta galega quedou moi lonxe desta marca na súa primeira final continental, pois no seu mellor intento lanzou até os 18,01 metros. Non obstante, esta marca non só é a segunda mellor da súa carreira, senón que tamén é a mellor conseguida por unha atleta do Estado en pista cuberta. Xa que logo, o balance de Torún para Belén Toimil só pode ser moi positivo, e abre a esperanza de que poida ser quen de facerse cun lugar no podio nos Xogos Olímpicos de Tóquio. Pola súa banda, a outra representante galega en Torun, Ana Peleteiro, tratará mañá de defender o título continental que logrou en Glasgow no ano 2019, onde a ribeirense, ademais, asinaba a súa mellor marca persoal voando até os 14,73 metros, distancia que ben podería ter que alcanzar para conseguir superar á grega Papahrístou e á bielorrusa Skvartsova. Segundo o programa oficial facilitado pola organización do Campionato de Europa de Pista Cuberta, a fase de clasificación do triplo salto será ás 12 horas e a final mañá, 7 de marzo, ás 17.20 horas.
NOS_10429
O poeta lugués foi a figura escollida pola Academia galega para homenaxear o 17 de maio. Vídeo no interior
...A espranza nos teus ollos se espreguiza./ Aran os bois e chove." Eses versos de Xosé María Díaz Castro son entoados acotío e con virtuosidade por Mini e Mero, autores que musicaron o seu poema Penélope. A Academía Galega anunciou esta sexta feira que o poeta e tradutor de Guitiriz (Lugo) será o homenaxeado no Día das Letras do vindeiro ano. O célebre poema, está recollido na súa obra Nimbos, considerada "un dos cumes da poesía galega moderna", como salienta no seu comunicado a RAG. Díaz Castro tomou parte da chamada "escola mindoniense" xunto con outros célebres autores como Leiras Pulpeiro Noriega Varela ou Álvaro Cunqueiro. Embora residise en Madrid, onde exercía como funcionario, o xa eleito protagonista das nosas letras para 2014 mantivo sempre un fondo compromiso coa lingua e cultura do noso país.
NOS_48668
Entrevistamos o actor David Amor no caderno Máis, o suplemento de verán de Nós Diario.
—En que proxectos está traballando actualmente?Nestes momentos estou coa xira de Love está no aire, realizando actuacións por toda a Galiza e tamén por cidades e vilas fóra do país. —Vese actuando o resto da súa vida?Iso espero. Esta é a profesión que me gusta e á que me quero seguir dedicando o resto da miña vida, ademais agora penso que xa é demasiado tarde para cambiar, aínda que nunca o tiña pensado. —Daralle tempo a gozar do verán?Si, algo de tempo si que teño durante o verán. O único que non parece que nos vai deixar gozar do verán é a calor extrema destes días. —Cal é o seu lugar fetiche ou paraíso natural en que máis lle preste estar?Calquera da Galiza. Non teño ningún sitio en especial en que sempre veranee, de feito sempre aproveito calquera praia ou río que vexa para pórme a remollo, non teño maior preferencia. —Hai algún lugar ao que non iría nunca de vacacións?Non creo que haxa ningún sitio que non sexa digno de visitar. —Un souvenir en que sempre caia?Non son nada diso. —Unha viaxe que teña gravada como 'a viaxe'?Ningunha. Teño a sorte de poder viaxar moito polo traballo mais máis que unha viaxe teño gravados momentos. —Cal foi a viaxe máis longa que fixo na súa vida?Unha que fixen a Suramérica hai uns anos. —Manda postais cando está fóra?A verdade é que non. —Algún festival ou cita cultural á que nunca falle?A verdade é que non teño ningún en concreto. Ademais normalmente no verán estou traballando, así que é complicado poder asistir. —Que libro lle gustaría recomendar? Polaroid, de Suso de Toro. —E unha serie ou película?Serie a verdade é que é moi difícil escoller e película escollería Airbag, de Juanma Bajo que vai facer 25 anos desde a estrea.
NOS_13516
Vivenda, transporte e alimentación lideran o aumento dos prezos na Galiza, onde a taxa interanual do IPC é 0,7 puntos superior á media estatal.
O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu 3% en marzo a nivel estatal en relación ao mes anterior e elevou deste modo a súa taxa de variación interanual máis de dous puntos, até 9,8%, o seu valor máis alto en 37 anos, concretamente desde maio de 1985, segundo os datos definitivos publicados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Co dato de marzo, que coincide coas cifras avanzadas a finais do mes pasado polo INE, o IPC interanual encadea a súa décimo quinta taxa positiva consecutiva. A suba dos prezos triplicou a dos salarios en 2021 No caso concreto da Galiza, o índice de prezos dispárase por riba da media, até 10,5%, o maior dato desde 1984. É a quinta maior taxa do Estado español tras os rexistros de Castela-A Mancha (11,7%), Castela e León (11%), Aragón (10,7%) e A Rioxa (10,6%). No extremo oposto fican Ceuta (7,8%), Canarias (8,4%), Madrid (9%) e Melilla (9,2%). En comparanza co mes de febreiro a taxa interanual medra de forma considerábel tanto a nivel estatal (2,2 puntos máis) como no caso galego (sobe 2,5 puntos). A variación mensual do IPC tamén é superior na Galiza que no conxunto do Estado, xa que en marzo deste ano os prezos rexistraron un aumento de 3,3% a respecto do mes anterior, fronte ao dato de 3% estatal. A suba do IPC de febreiro fai subir máis de 30 euros o prezo dos alugueiros na Galiza Vivenda e transporte lideran a suba O maior incremento anual do IPC galego produciuse na vivenda (38,9%) e o transporte (19,1%), seguidos de alimentación (6,7%), hostalaria (5,5%), enxoval (5,1%), bebidas alcólicas e tabaco (4%), medicina (2%), roupa e calzado (1,5%), ensino (1,3%), lecer e cultura (1,1%) e outros bens e servizos (3,1%), mentres só cae o custo das comunicacións (-0,5%).
NOS_20027
Foi diagnosticado de COVID-19 a finais de febreiro.
Luis Sepúlveda faleceu aos 70 anos de idade como consecuencia do coronavirus. Novelista, director, guionista, xornalista e activista político chileno, levaba desde finais da década dos 90 residindo en Asturies. En 1970 gañou o premio "Casa das Américas" polo seu primeiro libro'Crónicas de Pedro Nadie, e tamén unha bolsa de cinco anos na Universidade Lomonosov de Moscova. Militante do Partido Socialista Chileno, chega a ser membro da garda persoal do presidente Salvador Allende. No golpe militar do 11 de setembro de 1973, Sepúlveda estivo no palacio de La Moneda para custodiar ao presidente Allende. Ten escrito numerosas obras, entre elas Un viejo que leía novelas de amor, ou La sombra de lo que fuimos.
NOS_30906
Javier Madrid, xenro do empresario Juan Miguel Villar Mir, presidente de Ferroatlántica, tiña en Emilio Lozoya un aliado en México, e tamén un presunto 'conseguidor' de cartos para o PP.
A detención de Emilio Lozoya, ex director xeral de Pe-mex, está a poñer moitos nomes baixo a lupa das administracións que investigan a presunta trama corrupta que encabezaba o directivo mexicano. Ao do presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixoo, a quen as autoridades mexicanas vinculan coas pescudas pola compra do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras por parte de Pemex, súmanse outros como o de Javier López Madrid, director de Ferroatlántica, xenro de Juan Miguel Villar Mir e peza chave da rede de financiamento irregular do PP. López Madrid, conselleiro delegado do Grupo Villar Mir, que controla entre outras as participacións do empresario Juan Miguel Villar Mir en firmas como Fertiberia, Ferroatlántica ou a construtora OHL, estaba chamado a ser o sucesor natural do fundador á fronte do emporio. Porén, as súas imputacións en tramas como a Púnica, a Lezo ou a das 'tarxetas black' de Bankia, pola que foi condenado, frearon en seco a súa progresión. Pero iso non lle impediu ao empresario sacar tallada da súa posición e dos seus contac-tos ao máis alto nivel. El era o 'compi yogui' ao que se refería a raíña Letizia nunha mensaxe privada de apoio após unha das súas imputacións e tamén membro do padroado da Fundación Princesa de Asturias, até que os monarcas españois decidiron romper o contacto con el. Quen non o perdeu foi Emilio Lozoya. O ex director xeral de Pemex, considerado xunto co ex presidente mexicano, Enrique Peña Nieto, un dos "chicos de oro del PRI", ocupaba un posto no consello da construtora OHL antes de dar o salto á petroleira mexicana, e tamén noutras sociedades. De feito, segundo destaca a prensa do país azteca, pouco tempo despois da súa de-signación, a empresa española, sen experiencia previa no sector enerxético, faríase con tres contratos millonarios por parte de Pemex, unha operación que desde México atribúen á "intima amizade" de Loyola con Javier López Madrid. Os pagos de Infoglobal De feito, os supostos subornos de OHL a políticos para conseguir concesións son obxecto de investigacións por parte das autoridades de ambos países. Nesas pescudas, emerxen outras operacións de dubidosa legalidade, como a transferencia de 1,1 millóns de dólares desde unha das contas investigadas polos subornos de Odebrecht, caso polo que o ex directivo mexicano foi detido o pasado mes de febreiro e posto a disposición da Audiencia Nacional, a Infoglobal, unha sociedade na que tamén desenvolvía a súa actividade López Madrid e na que Lozoya estivo de conselleiro en 2011 e 2012. Os indicios apuntan a que eses cartos remataron nas contas da matriz de OHL en España, sumida entón nunha delicada situación económica.Esta operación é só a punta dun iceberg que, segundo sospeitan as autoridades mexicanas, podería elevar até 3,4 millóns de euros as transferencias procedentes de OHL en México que posteriormente foron em-pregados para comprar políticos no Estado español, e que se sumarían aos 1,4 millóns de euros que presuntamente pagara a construtora dirixida por López Madrid ao PP de Madrid pola adxudicación dunha obra ferroviaria. Este movemento motivou a detención do empresario en 2017 ante os indicios de pago de comisións ao entón presidente dos populares madrileño, Ignacio González, que despois eran empregadas polo partido para financiar as campañas electorais da formación presidida por Mariano Raxoi. Pero as transferencias non son só nunha dirección. Antes de ser detido, Lozoya negara ter sido subornado. Con todo, a orde ditada polo xuíz mexicano na que pide a detención do ex director xeral da petroleira estatal sinala entre os seus argumentos o feito de que Lozoya tivera aceptado supostamente 10 millóns de dólares a cambio de outorgar contratos á empresa brasileira Odebrech. O ex director xeral de Pemex agarda agora nunha prisión madrileña a que a Audiencia Nacional se pronuncie sobre a solicitude formal de extradición a México por supostos delitos relacionados con operacións con recursos de procedencia ilícita, que no ordenamento xurídico español se corresponde co bran-queo de capitais. A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.
NOS_20183
Dizem dele que é um dos melhores compositores da música portuguesa atual. Ana Moura, António Zambujo ou Carminho, entre outros grandes artistas, gravaram canções escritas por ele. Mas conseguiu também um grande sucesso no seu país pela sua trajetória como cantor e instrumentista. Prepara agora o seu quarto disco em solitário. Chama-se Miguel Araújo e é um de tantos músicos da lusofonia que, para os galegos, ficará sempre ligado ao festival Cantos na Maré, que este ano mudou o seu nome por Maré e trasladou-se a Compostela. Falamos com el no Sermos Galiza que se publica este sábado.
Por que disse que é um crime que não haja mais eventos como Maré? Crime pode ser uma palavra forte demais, mas é pena porque é uma língua tão próxima, praticamente a mesma, não é? E acho que o relacionamento entre as pessoas da Galiza e do norte de Portugal não é a mesma que o doutras partes da raia portuguesa. António Zambujo é de Beja e para eles é quase a mesma cultura. E eu sinto que com a Galiza não há tanto disso. É raro ainda ver artistas galegos ir tocar ao norte de Portugal. Entre Portugal e Brasil, os brasileiros não ouvem música portuguesa, mas os portugueses ouvem muita música brasileira. Mas entre a Galiza e o norte de Portugal o divórcio parece mútuo. Mas você já tinha tocado antes na Galiza… Sim. Em 2015 fiz uma pequena gira pela Galiza. A sua relação com a Galiza vinha de antes. Há uma história com Vigo e Bryan Adams… Íamos ao Corte Inglês de Vigo passear e fazer as compras. Eu era muito pequeninho e só queria a cassete de Bryan Adams. Foi o primeiro álbum que tive na vida. Aos 11 anos recebe um baixo de presente e começa a juntar melodias e letras… Os meus tios tinham uma banda amadora de covers. Os meus primos e eu fizemos uma banda e os nossos tios e os meus pais ofereceramnos uns instrumentos e então começamos a tocar. Foi pelos 14 ou 15 anos, mas eu comecei aos 11. Tinha um baixo e um violão e inventava melodias e letras. Tinha muita vergonha. Hoje em dia continua a ser um ato clandestino. Se entra alguém da minha família, tenho de parar. Começou a compor de forma profissional com Os Azeitonas. Tinha se calhar 27 anos. Ao princípio era algo como de brincadeira, fazíamos uma música pirosa... Mas a coisa foi ganhando fãs, tocávamos num bar, havia uma telenovela chamada Morangos con azúcar que usou uma música nossa como banda sonora… De pronto íamos tocar a festivais, enchemos o Coliseu e tornou-se numa coisa muito grande. Depois, entre o meu primeiro disco só, de 2012, e 2016 fui pai e era ter concertos quase todos os dias… Não podia seguir assim e saí da banda. Está a ter muitos menos concertos. Como está em Portugal a situação na música ao vivo por causa da pandemia? Em Portugal os auditórios podem encher-se até a metade da sua capacidade. Mas acontece que as pessoas sentem-se inseguras e não vão às salas de espetáculo mesmo tendo tirado os bilhetes com meses de antecipação. Foi publicada uma lista que dizia que ir a salas fechadas é do mais perigoso que se pode fazer e as pessoas têm medo. Antes da Covid-19, investir em cultura era política e eleitoralmente rentável, mas agora é o contrário. E o trabalho passou para níveis muito próximos de zero Sermos Galiza A entrevista con Emilio Araújo non é o único contido do Sermos Galiza que se publica este sábado. Un semanario cuxa reportaxe de apertura afonda na outra cara da da vendima. 'Unha viaxe aos canóns do Sil', con texto de Claudia Morán e fotografías de Brais Lorenzo, adéntrase na vendima heroica quecontinúa en pé na Ribeira Sacra, un dos segredos mellor gardados do noso país que, a pesar das dificultades económicas, continúa a crer na preservación da súa tradición milenaria. 'Carbajo Barrios, convivir', de Iago Valverde. "Manuel Carbajo e Celso Barrios están á fronte dun estudio diferente que, en aparencia, en 20 anos de traballo fixo moi poucas cousas. Como explica Barrios, iso débese a que dentro de cada obra hai centos de proxectos máis pequenos. Nos últimos tempos estabeleceron relación co grupo Arial, e como parella desenvolven en Compostela iniciativas moi grandes de vivenda, que precisan varios anos para facelas realidade. A súa é unha carreira de fondo". En 'Andar e ver' o colectivo Xea lévanos polo Castro de Negros, en Redondela. Ademais, como vén sendo habitual cada sábado, no semanario tamén poderás atopar un repaso aos libros, música, cinema arte e mapas. Tes a oportunidade de ler todos estes contidos no Sermos Galiza que acompaña mañá a Nós Diario. Atoparálo no teu quiosque de confianza ou para a súa lectura na nube. Se aínda non diches o paso de ser subscritora ou subscritor,podes facelo nesta ligazón.
NOS_36390
Os 17 deportistas galegos que van aos Xogos de Río, a importancia dos 'influencers', a análise posto-25X, as propostas para o naval... Todo isto, e moito máis, neste novo semanario do Sermos Galiza, xa á venda na nosa loxa.
Grandes multinacionais xestionan unha parte importante dos servizos sociais nos concellos galegos, desde a asistencia no fogar, a dependencia, centros de drogodepencia, da terceira idade, albergues ou escolas e programas infantís. Unha cuestión que debullamos no Tema de Primeira, 'As multinacionais do social'. "A mesma empresa que recolle o lixo, constrúe unha estrada ou limpa edificios públicos pode obter a concesión de programas cun marcado carácter social, a través de filiais e marcas brancas, pero mantendo unha liña de negocio similar: precariedade e abusos laborais, incumprimentos e servizos de mínimos, beneficio fronte á calidade na atención". Marcas, empresas e mesmo organizacións políticas buscan perfís que os proxecten através da rede. Son os 'Influencers', o boca a orella 2.0'. As persoas consideradas influencers teñen milleiros de seguidores e crean opinión. Haberá un total de 17 deportistas galegos -ou con licenza galega- nos Xogos Olímpicos. Son 'Os 17 de Río'. Após catro anos de duro traballo, concentracións interminábeis e sen fisuras para o contacto familiar, réximes estritos e horas diarias de adestramento físico, chegan os Xogos. Só despois disto se entende aquilo de: Competir aquí é o premio. Un premio do que o vindeiro mes en Rio gozarán 14 deportistas galegos e tres máis con licenza na Galiza. En total, 17. Pero falta un. Javi Gómez Noya non poderá acadar o ansiado ouro olímpico logo dunha fractura na cabeza do radio. O referente galego perderase os Xogos, mais as opcións de acadar os metais seguen moi vivas. 25 de xullo Nas vésperas había preocupación en Rodríguez de Viguri, a sede nacional do BNG. O desafío, voltar a mostrar potencia nas rúas no Día da Patria Galega. A resposta da parroquia nacionalista superou as expectativas. 'Exhibición de músculo social do BNG'. Por volta de 15 mil persoas danlle novos azos ao Bloque para o repto das eleccións galegas. As cen principais compañías da industria do armamento ingresan cada ano entre 400 e 475 mil millóns de dólares. O gasto militar mundial achégase aos 2 billóns de dólares. Contámoscho en 'A grande industria da guerra'. En 'A loita sindical no Uruguai paraliza o país para forzar o goberno a rectificar' informamos sobre a central sindical única PIT-CNT e a súa reclamación ao goberno dunha mudanza na política salarial. Nos 90 o naval supoñía 10.000 empregos e achegaba o 30% da riqueza da comarca de Vigo, para alén de ser o 41% da construción naval no Estado. Perdeuse moito, mais o sector non está disposto a que se perda todo e recupera a unidade de acción para exixir de todos os axentes compromiso e responsabilidade. 'Obxectivo, sacar o naval da ría de Vigo da UCI'. Manuel de Escola Xosé Tomás saca á luz 'Manual de Escola', un libro de humor gráfico sobre educación. A través de viñetas onde as crianzas son as protagonistas, o autor trata o día a día dun sistema educativo errático. O libro é editado baixo o abrigo da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG). Manual de Escola será presentado a sexta feira, día 29 ás 20:00h, na libraría Biblios (Betanzos). Conversamos co seu autor: "Foi case unha cuestión, non digo de rabia, pero si de certa dor, como educador, de ver como o sistema educativo que temos é como é". Non falta a nosa contra-capa e a selfie entrevista, desta volta a María Corrochano, xogadora do Fillas de Breogán e da selección galego de fútbol gaélico que este agosto vai desputar o Mundial de Dublín. Ademais, neste número Luz Darriba fálanos de '18 de xullo de 1936, golpe de morte ás liberdades das mulleres'. Tamén contamos coa achega de Antón Losada, 'A demisión do Apóstolo', "Galicia entrou nun bucle morboso que semella devolvernos a un pasado que coñecemos ben. Estamos de volta no Fraguismo, pero sen Fraga". Pepe Barro fálanos de 'Camilo Díaz Baliño'. "Descontando a Federico Ribas, que traballa no estranxeiro, Camilo é o máis parecido a un deseñador que temos na Galicia anterior á guerra civil. Co seu traballo múltiple crea a imaxinería simbólica do tempo das Irmandades". Mario Regueira, na crítica literario, achéganos a 'Da fría e distante estrela polar', de Tomás González. "A obra afíliase a unha corrente que nos últimos anos ten alborotado para ben unha parte da cultura galega ". E Andrés Castro fálanos do filme 'Rúa Cloverfield 10 (10 Cloverfield Lane)', de Dan Trachtenberg. "Aparte dunha notábel dirección en espazos pechados, apoiada nunha banda sonora que potencia a atmosfera, en Rúa Cloverfield 10 destacan as convincentes interpretacións". Manuel Xestoso fala duns encontros entre o teatro galego e o portugués que non pasan de fortuítos. "Cúmprense nestas datas os trinta anos de Teatragal, unha iniciativa que tentou que dous sistemas teatrais daquela emerxentes puidesen converxer ou, polo menos, dialogar". Olalla Rodil estrea sección, 'Olladas (re)construídas'. Desta volta para nos falar dunha canción, 'Summertime'.
NOS_28575
Unha xornada de actividades en Ribadeo centrará a XVIII edición de 'O/A Escritor/a na súa Terra' o sábado 2 de xuño.
A Homenaxe que cada ano impulsa a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) co nome de "O/A Escritor/a na súa Terra" chega neste 2012 á XVIII Edición. Por decisión da Asemblea de Socias e Socios, a figura escollida desta vez foi Xavier Rodríguez Baixeras. Os actos serán na vila de Ribadeo e comezarán ás 11:30 horas no Parque "Os Canapés" (O Xardín) coa plantación dunha palmeira (árbore simbólica do escritor) e a intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG, Mari Luz Álvarez Lastra, Concelleira de Cultura, Educación e Igualdade de Ribadeo, e Xavier Rodríguez Baixeras. Despois terá lugar unha recepción no concello para rematar a xornada cun xantar nun restaurante da vila.
NOS_14659
O Concello de Vigo anunciou a suspensión do partido de Liga que enfrontaba este domingo o Celta co Real Madrid. A causa, os desprendementos na cuberta do estadio municipal de Balaídos após o temporal que afecta o país.
Desprendementos nas chapas da cuberta da parte sur da grada de Río, no estadio de Balaídos, provocaron a suspensión do partido de Liga que ían disputar este domingo o Celta e o Real Madrid. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou que bombeiros, técnicos municipais e o clube determinaron que non se pode garantir a seguridade das persoas afeccionadas ao cento por cento. O rexedor vigués sinalou que é "imprescindíbel" que se aseguren as chapas desprendidas da cuberta do estadio municipal (que está a ser reformado) pero os refachos de vento que seguen a afectar este sábado a cidade impiden que se poida realizar ningún tipo de actuación. "A obra é probábel que requira de días", admitiu. A anulación do partido do Celta chega un día despois de ser suspendido o encontro que enfrontaría o Dépor e o Betis en Riazor, após a caída de partes da cuberta do estadio nas zonas de Xeral e Maratón. O Madrid presiona Após o anuncio de Caballero, o Real Madrid pronunciouse para buscar unha alternativa que permita que o partido teña lugar. Alegan os madrileños que non teñen outra data dispoñíbel e propoñen espazos alternativos, como San Lázaro ou El Molinón, segundo informa Marca. O Celta, de momento, non contempla estas opcións.
NOS_36739
Suso de Toro vén de poñer en marcha unha actividade literaria chamada 'Tac, tac, tac' que quere recuperar a escrita previa aos computadores.
'Tac, tac, tac' é un proxecto que xorde da colaboración entre o escritor Suso de Toro e a libraría Numax. O escritor será o comisario da proposta 'TAC, TAC, TAC. Un conto nun lugar nun límite de tempo': unha actividade estábel e periódica que comezará o 1 de febreiro con Margarita Ledo como primeira protagonista e continuará durante oito meses, até novembro deste ano. Esta cuarta feira a escritora chairega -tamén socia fundadora de Numax- inaugurará esta actividade, que comezará cunha charla co propio Suso de Toro na que reflexionarán sobre o acto da escritura, falando dos tempos previos ao mundo dixital. E logo escribirá a máquina un relato dun folio como máximo que non se reproducirá en ningún outro lugar e só se poderá ler alí. Será un texto único, coa idea de "reivindicar o orixinal en tempos de copias", tal e como nos contan desde Numax. Ademais poderemos ver unha mostra dunha selección de edicións propiedade da autora que xa non están accesibles ao público. Época analóxica Nesta actividade participarán un grupo dos escritores e escritoras máis salientables do noso panorama literario cunha característica común: comezaron a escribir dentro dun marco «analóxico». Esta acción quere poñer en valor, en palabras do propio comisario, o que significa «volver facer unha cousa, un folio que sostén palabras escritas, que contén un texto». Nace da reflexión do propio de Toro sobre a experiencia do que é ser escritor: «alguén que vive nunha esfera de linguaxe confrontada coa vida e as súas continxencias fóra, no mundo. O mundo virtual da linguaxe en paralelo ao mundo experiencial». A intención de de Toro é "darlle unha volta á constatación de Walter Benjamin sobre a perda de aura da obra de arte no tempo da súa reprodutibilidade técnica e, tamén, sobre o valor e o poder da unicidade fronte as reproducións". "Vén ser un apelo á memoria e a experiencia de quen escribiu a man, a máquina despois, acompañado da percusión dos tipos que batían na fita de tinta e no papel. A soidade de cando non se escribía só texto sen tacto nunha pantalla senón que se fabricaba unha cousa: un papel tintado. A añoranza da mínima fisicidade do oficio, o estrañar manchar os dedos de tinta e sentir o ruído da nosa ferramenta, o lapis, a péna ou as teclas a bater. Naturalmente, tamén ten a ver co fetichismo e co noso desexo creador de cousas sagradas ou ás que lle queremos atribuír carácter máxico".
NOS_53259
O alcalde de Baños de Molgas asegura que non había pacto de goberno co PSOE, partido que anunciou que retiraba o apoio ao goberno nacionalista. "Nós imos seguir co noso traballo e eles, PP e PSOE, que fagan o que vexan".
O PSOE de Baños de Molgas (2 concelleiros) remitía estes días unha nota de imprensa na que anunciaba que daba por roto o pacto de goberno e rachaba o bipartito co BNG (3 edís) neste pequeño concello de Ourense. Unha noticia sorprendente porque, como sostén o alcalde de Baños, Xaime Óscar Iglesias, non existía tal co-goberno nin pacto de goberno. "O PSOE vén de anunciar que pasa a oposición, mais xa estaba nela", aclara. - Se non había pacto de goberno nin coligazón, que foi o que pasou? - Despois das eleccións municipais, e cun PP sen maioría [obtivo 4 de 9 concelleiros], BNG e PSOE comezamos a falar para chegar a un acordo. Foron unhas negociacións complicadas, entre outras cuestións porque o voceiro socialista, que levaba as negociacións, estaba en Bruxelas, que é onde traballa. Nós ofrecimos que a alcaldía fose para o BNG, por ser o máis votado dos dous, e a tenencia-alcaldía para os socialistas. Mais non quixeron , eles querían que se lles deixase gobernar ano e medio. Non houbo acordo. O PP tenlle ofrecido a alcaldía ao PSOE para que eu non fose rexedor - Vostede foi investido alcalde co apoio dos votos socialistas - O día antes do pleno de investidura o voceiro socialista díxome que tiña o apoio do PP para ser el alcalde. Na sesión plenaria propúxose el como candidato a alcalde mais votou polo BNG. Non estaban no goberno, tiveron unha competencia delegada, a concellaría de Participación Cidadán, e presenza na representación municipal perante diferentes organismos. Daban apoio puntual nalgunhas cuestións, non en todas. Mais a cousa foise, por dicir así, enfriando. En Participación Cidadá non fixeron nada, agás presentar unha ordenanza de participación copiada dun concello veciño, de 10.000 habitantes, e que non é o máis acaído para nós, que temos 1.600. - Entón o único que aconteceu foi que o PSOE deixa a concellaría que xestionaba? - Eles anunciaron o outro día que pasaban á oposición, que era onde xa estaban. A única diferenza que hai de hai uns días a hoxe é que o goberno municipal ten unha competencia máis, a de Participación Cidadán. Sementamos a idea de que se pode gobernar doutra forma, de que aquí porque gane unha determinada forza iso non ten que significar que vaia gobernar "para os seus" - Fálase de moción de censura, o propio voceiro socialista non desbota dar este paso Non vexo a PSOE e PP, en canto partidos, presentando unha moción de censura. Mais os seus voceiros aquí son unhas persoas bastante personalistas. O socialista é alto funcionario europeo e está no PSOE porque lle cadra e o do PP, após perder as eleccións, ficou bastante abandonado polo partido. O certo é que os ruxes-ruxes dunha moción de censura non son novos. Levamos toda a lexislatura coa ameaza dunha moción de censura de PP e PSOE enriba. E o PP tenlle ofrecido a alcaldía ao PSOE para que eu non fose alcalde. Mais non podemos permitir que iso afecte ao noso traballo como goberno. Non temos temor, se a queren presentar, que a presenten. Nós seguimos traballando. - En 2015, e por primeira vez desde a fin do franquismo, a dereita perdía as eleccións municipais en Baños de Molgas, e chegaba ao goberno o BNG. Como se vive un cambio así? Que foi o que intentastes facer desde entón? - Nós tiñamos claro que era necesario un cambio en Baños de Molgas. Que había que introducir outras dinámicas, impulsar a participación veciñal, solucionar os problemas que se viñan arrastrando desde hai anos. Queriamos cambiar esa sensación na xente de que Baños de Molgas morría, de que non había que facer. Sementamos a idea de que se pode gobernar doutra forma, de que aquí porque gane unha determinada forza iso non ten que significar que vaia gobernar "para os seus". Non. Aquí, visibilidade e transparencia en todo, nas axudas, nas contratacións... Queremos que se vexa que se pode gobnernar doutra forma, diferente a como se fixo nestes corenta anos. Baños de Molgas ten moitas potencialidades. E nós cremos nelas
NOS_40097
A equipa directiva presentou a súa renuncia após comunicárenlles desde a Xunta que non se cubriría o cupo de docentes que marca a lei.
Após coñecer o acontecido no Concello do Rosal (Pontevedra) onde as familias permanecen fechadas no CEIP Suárez Marquier desde hai 13 días polo rexeitamento da Xunta a cubrir a totalidade das prazas docentes, máis un centro de ensino público inicia accións. Neste caso, a dirección do IES Vilar Ponte, en Viveiro, presentou a súa renuncia logo de lles comunicaren desde a administración que non será cuberta unha praza de Lingua Castelá. O recorte vén a se sumar á perda dunha outra praza e media cuxo recorte xa foi anunciado ao centro a comezos do mes de setembro. A Xunta non cubrirá unha praza de Lingua Castelá após recurtar a comezos de curso unha outra praza e media Desde o IES Vilar Ponte aseguran que a asignación das quendas e distribución dos horarios se tivo que desenvolver en precario perante un incremento no número de estudantes. Para a equipa docente a Xunta "incumpre o cupo que a propia Administración lle tiña asignado ao centro e promove unha situación que obriga a unha reestructuración de toda a súa oferta educativa co curso xa empezado". De igual maneira que acontece no CEIP Suárez Marquier, a supresión dunha praza de Lingua Castelá suporá a eliminación de gran parte das medidas de atención á diversidade que tiña na actualidade o centro, coma por exemplo, os agrupamentos específicos e reforzos educativos nesta materia, segundo advirten desde a dirección. Neste senso, denuncian que "promovendo estes continuos recortes é moi probable que o alumnado non pise un laboratorio en toda a secundaria obligatoria". "A administración pon de manifesto a súa total insensibilidade", denuncian Desde Inspección emprazaron o centro a suprimir unha unidade educativa en 1º da ESO para compensar a perda mais, sinalan, isto suporá que este curso "pasaría a preto de trinta alumnos por aula nunha etapa onde hai un considerable número de alumnos que polas súas necesidades educativas precisan dunha atención individualizada en grupos máis reducidos". "A cerrazón da Administración Educativa nesta arbitraria decisión, pon de manifesto tamén a súa total insensibilidade coa particular realidade educativa do centro, onde hai unha elevada porcentaxe de alumnado inmigrante e de minorías étnicas. Os razoamentos esgrimidos para xustificar este incomprensible recorte, deixan ben claro que para a Administración, o alumnado é só un mero número estatístico, e non persoas individuais cunhas necesidades educativas específicas e diversas", denuncian desde o IES Vilar Ponte.
NOS_40662
Máis un semanario que sae do prelo. Entrevistamos a cantautora SÉS e a viceportavoz de En marea Ana Seijas, falamos da pobreza enerxética, dos tesouros espoliados da cultura galega, de vulneracións laborais graves… todos isto e máis xa na nosa loxa.
As mulleres están chamadas a facer folga e paros parciais no traballo e nos estudos, mais tamén no consumo e nas tarefas de coidado, así como a participar nas múltiples convocatorias que se celebran o 8 de marzo en todo o país. O día 4 de marzo haberá, ademais, unha grande mobilización nacional en Vigo. 'As mulleres tomamos as rúas'. 'O Marzo do 68 galego'. Primeiro foi Galiza. Aínda faltaban dous meses para que as universitarias e universitarios franceses tomasen París, cando o estudantado galego saíu ás rúas de Santiago de Compostela, nun dos conflitos máis destacados e definitorios da década dos sesenta. Foi o Marzo do 86 galego. 'O que se agocha tras o MIR docente'. As verdades sobre a formación do profesorado e o acceso ao sistema educativo explicadas por Anxco Louzao, exsecretario nacional de CIGEnsino. Ana Seijas (Compostela, 1973), é viceportavoz de En Marea e responsábel das áreas de municipalismo e feminismo da organización, así como membro da Coordinadora e do Consello das mareas. Falamos con ela neste número de municipalismo, eleccións e proxectos de país. "Estou certa de que a representación institucional nos concellos que obteñamos nas eleccións de 2019 vai ser superior á lograda en 2015.". A política comunitaria parece desaparecida. Despois dos anos furiosos da crise, en que o papel e responsabilidades das institucións europeas se fixeron evidentes para amplas franxas da cidadanía, volveu á escuridade. Nin a posibilidade de que Galiza fique sen fondos estruturais e de cohesión reaviva o debate. 'Horizonte sen cartos europeos'. Sermos Galiza S.A. enceta a conta atrás para a publicación de O Diario Galego e faino co arranque da campaña de subscricións que faga posíbel a saída do novo xornal. Serán necesarias 3.000 persoas asinantes para o lanzamento do medio en 2019. 'Arranca a campaña de subscrición para a saída de O Diario Galego'. 'Ameazas e sancións para sabotar o diálogo entre Pyongyang e Seul'. Washington e Bruxelas, en troca de propiciar o diálogo reaberto entre o norte e o sur co gallo dos xogos olímpicos de inverno, parecen decididas a dinamitar calquera saída diplomática que permita a coexistencia pacífica na península de Corea. A comezos do século XXI e durante un pouco máis da primeira década existían expectativas populares esperanzadas en todo o planeta sobre o proceso de mudanza na Nosaamérica. Agora o imperialismo tenciona reverter todos eses procesos e retornar á plena dominación da rexión. 'Nosaamérica diante da ofensiva imperialista'. Centos de miles de galegas e galegos continúan na pobreza enerxética. Sen poder facer fronte ao pagamento dos recibos, coa ameaza de corte de servizos básicos, sen poder manter unha temperatura adecuada na casa ou nunha vivenda con humidades ou pingueiras. Unha realidade que segue vixente perante as partidas económicas cada vez menores e as recentes medidas aprobadas por parte da Xunta. 'A pobreza enerxética que só nega a Xunta'. 'Os dereitos laborais que vulnera España'. O Estado español incumpre varios preceptos da Carta Social Europea, un tratado internacional que garante dereitos sociais e económicos. É a conclusión do Comité Europeo de Dereitos Sociais. "A maioría da crema da intelectualidade galega sempre foi pedindo perdón a España, e eu iso non o pensó facer". Entrevistamos SÉS. Máis que "cantadora", di ser "contadora", e éo. Vén de encher o Teatro Colón da Coruña durante dous días con Readmirando a condición, a regravación do seu primeiro álbum, que a levará a percorrer Galiza e facer parada en Barcelona, Madrid ou Bilbo. Non se corta, nin no que di nin na maneira en que o di. Os azares da historia, a cobiza, os escuros circuítos do coleccionismo privado ou directamente o espolio son causas do espallamento do patrimonio galego polo mundo. Máis alá do fundacional Pergamiño Vindel existen outras pezas valiosas, algunhas en paradoiro coñecido. 'Os outros pergameos Vindel'. Adeamais, non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa. Luz Darriba, Francisco Castro, Nachortas e Tokio, Mercedes Queixas, Colectivo Xea, Mario Regueira, Andrés castro, Manuel Xestoso, Laura R. Cuba ou Iolanda Gomis.
NOS_1532
O 1 e 2 de marzo deste ano celebrarase a segunda edición do programa As mulleres que opinan son perigosas no Teatro Principal de Pontevedra.
Após o éxito da primeira edición de 'As mulleres que opinan son perigosas', o foro volverá ter lugar o 1 e 2 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra. "Despois de rematar a primeira edición, démonos conta de que non ía quedar aí, aínda que nun primeiro momento o formularamos como unha edición única. Revelouse unha necesidade, tanto pola repercusión que acadou entre as relatoras, que atoparon un espazo onde se respectaba as mulleres opinadoras, como entre o propio público, as persoas que encheron o teatro e as que seguiron o foro en streaming a través de redes sociais", explica unha das creadoras do proxecto, Diana López Varela, a Sermos Galiza. Nesta segunda edición, segundo a xornalista, buscouse, por unha banda non repetir nin temas nin relatoras, para "mostrar que nin somos poucas nin somos irrelevantes", e por outra banda "engadir aspectos que faltaron na primeira e que fomos recollendo tanto da opinión do público como da propia experiencia". "Despois de coñecer Afroféminas nunha charla en Mallorca vin a necesidade de introducir a perspectiva de raza ademais da de xénero", explica Diana López, "pero tamén unha das cousas que nos reclamou o público foi a opinión deportiva, por iso nesta edición traeremos Gemma Herrero. Ademais, queremos incluír os novos soportes: non falar só da opinión en medios tradicionais senón tamén a través de YouTube, coma as Towanda Rebels, ou a través das redes sociais, como Carmen Magdaleno en Twitter". O alcalde de Pontevedra, Miguel Ángel Fernández Lores, presentou a segunda edición xunto coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, e as creadoras e coordinadoras do proxecto, Susana Pedreira e Diana López. No acto de presentación, Diana López explicou que este proxecto xurdira o ano pasado para manifestarse polo II Congreso Capital do Columnismo que deixaba fóra as mulleres xornalistas.
PRAZA_4398
Quizais sexa o momento de promover con máis enerxía e menos cinismo as batas brancas que salvan vidas fronte as hostilidades e os abusos de poder
O mundo leva meses virando de xeito inesperado. Nestes días de liminalidade global, un pequeno país acostumado a marcar a diferenza está frecuentemente de actualidade. Visto en perspectiva, resulta sorprendente como Cuba, un arquipélago de pouco máis de 11 millóns de habitantes, está a ser un dos grandes protagonistas no transcurso da pandemia.O seu manexo da crise dentro das súas fronteiras está a ser exemplar. Cando os tres primeiros casos foron confirmados o 11 de marzo nun hotel na vila de Trinidad, comezaron a activarse os protocolos, listos para o que xa se mostraba inevitable. A día 25 de maio, un total de 1.941 casos foron confirmados, cunha cirfra de recuperados que acada os 1.689 e con tan só 82 persoas falecidas. Os resultados no aplanemento da curva son innegables, e contrastan de xeito dramático co que está a acontecer noutros países do continente con modelos de xestión e prioridades moi diferentes, como son Brasil ou os EEUU.Falo por videochanada con Eddy, que vive nos arredores da cidade de Santa Clara. Móstrase moi tranquilo. El e a súa moza están a pasar as noites na casa do seu avó, un ex combatente que servíu en Angola, e que conta xa con 88 anos e unha inesperada forza vital. Para protexelo, renunciou ao seu habitual traballo de comercial que o leva a viaxar a diferentes zonas da provincia, e por agora estase a ocupar no campo. "O país precisa coidar moito a súa produción agrícola, nestes días máis ca nunca. Temos un equilibrio moi sensible". A súa nai é dependente, e está ingresada nun centro especial. Nesta difícil situación, "os colectivos máis vulnerables seguen a recibir todo o imprescindible", comenta Eddy.Quizais sexa o momento de promover con máis enerxía e menos cinismo as batas brancas que salvan vidas fronte as hostilidades e os abusos de poderProbablemente, e a pesar do asombroso que pode resultar que un país subdesenvolvido atalle así esta situación extrema, non bastaría para destacar entre as fugaces e constantes novas sobre a pandemia. Para que tódolos xornais do mundo se fagan eco do que acontece con Cuba- en ocasións tan só para facer contrapeso-, algo aínda máis extraordinario debe acontecer. Sen dúbida, as misións de médicos que está a dispersar polo mundo son unha vez máis o maior activo co que conta a nación. Dende Italia a Sudáfrica, pasando por Andorra ou México, o último país en unirse hai escasos días á súa longa lista de colaboracións médicas foi Perú . Mesmo en España barallouse contratar os servizos do país caribeño. Uns trámites inciados dende os Gobernos autónomos de Valencia e Cataluña, e que foron drasticamente freados polo Goberno central. Mesma sorte correu a posible adquisición do antiviral de orixe cubana interferón alfa-2b, a pesares de ser recoñecido pola Axencia Española de Medicamentos como eficaz na loita contra o virus e da declarada falta de stock.Como no resto do mundo, a pandemia está a ser un duro golpe para a economía cubana. A súa situación era xa notablemente desvantaxosa, afectada por unhas reimpostas restricións dende a administración Trump que tiveron un significativo impacto no sector turístico. Porén, o turismo está agora en dique seco, e isto é un asunto serio. Mentres este hiato estase a empregar para facer reparacións e mantemento nas instalacións turísticas, o florecente sector privado está a sufrir en primeiro termo as consecuencias deste inesperado revés. Ademais, o país non é alleo ao 15% de desemprego que xa viven os EEUU. A gran comunidade cubana alí emigrada vese afectada pola situación, e unha xa maltreita entrada de remesas tras as medidas aplicadas contra a illa o pasado ano, resintirase fortemente a medida que a situación se deteriore.Yenisbel é de Varadero, a zona turística máis recoñecible de Cuba. Xornalista de profesión afincada agora en Madrid, medrou coñecendo de preto o desenvolvemento hoteleiro fronte a súa propia casa. A súa nai, arquitecta no centro comercial máis grande de Varadero, transmítelle que os chequeos estanse a facer casa por casa e que apenas se reportaron casos na súa zona. A maior parte de turistas foron xa devoltos aos seus países de orixe en marzo, mentres algúns hoteis foron especialmente designados para quen aínda fica por retornar.De devolver turistas sans e salvos a casa tamén saben moito en Cuba. Ducias de cruceiros rondaban polos mares á súa sorte vivindo grotescas situacións, cando o 18 de marzo o Braemar chegou ao porto de Mariel, a uns 50 km ao oeste da Habana. A súa pasaxe e tripulación, entre quen se contaban xa numerosos casos de infección por coronavirus, foi atendida e enviada de volta ás súas casas en Reino Unido nunha operación sen precedentes. Fálase pouco do drama que aínda se está a vivir en lugares como Samoa, onde máis de 3.000 profesionais do sector seguen atascados sen poder volver aos seus fogares.Con todo prognóstico, esta illa volverá ser un lugar cara onde mirar atentamente xa aterrados na agardadísima "nova normalidade". Son diversos os factores que explican a resiliencia do modelo cubano, ao tempo que fan do país un actor global de primeira orde ao fronte desta praga:O sistema sanitario cubano foi de sempre un rasgo distintivo da Revolución, cuxo servizo de atención primaria é a principal baza fronte ao espallamento do virus. Unha cuestión maior, a dun servizo amplamente territorializado e completamente público, e á súa vez un aviso para os países que nas últimas décadas permitiron un deterioro na calidade e cobertura da súa sanidade pública. Unha cuestión maior, a dun servizo amplamente territorializado e completamente público, e á súa vez un aviso para os países que nas últimas décadas sufriron un deterioro na calidade e cobertura da súa sanidade públicaO país con máis médicos por habitante do mundo conta ademais cunhas reputadas misións humanitarias, que mesmo están a ser propostas dende diversas latitudes para o Nóbel da Paz, recoñecendo un diferenciado paradigma de colaboración baseado na acción solidaria internacionalista. Razóns para concederllo existen abondas. Convén lembrar que noutros momentos tan cruciais como a loita contra o Ébola en África no ano 2014, o liderazgo cubano foi determinante para conter os brotes. Nalquel entón, os países máis ricos observaban a situación gardando moitas distancias co que puido ter sido unha catástrofe global. Quizais sexa o momento de promover con máis enerxía e menos cinismmo as batas brancas que salvan vidas fronte as hostilidades e os abusos de poder. Contrasta agora máis ca nunca ler os titulares sobre as accións médicas e os seus resultados, cos ataques feroces ás misións cubanas dirixidos dende a Casa Branca a través do seu Secretario de Estado. É a caricatura dun país que, posuíndo o maior nivel de PIB xamais rexistrado nunha economía nacional, móstrase perigosamente ineficaz na loita contra o coronavirus dentro das propias fronteiras, mentres suspende os fondos destinados á OMS e renuncia por completo a liderar calquera solución á crise.A maior das Antillas conta cun historial en investigación biotecnolóxica que comeza nos 80 coa fundación do Centro de Ingeniería Genética y Biotecnología de Cuba (CIGB) en plena batalla contra o dengue, e se prolonga no desenvolvemento de tratamentos contra o VIH ou o cancro de pulmón. Como sinala Helen Yaffe na súa recente obra Somos Cuba!, o complexo biotecnolóxico cubano produce hoxe o 70% das medicinas que o país precisa. Nesta crise, o xa célebre fármaco interferón alfa-2b está a ser de gran utilidade no desenvolvemento dunha vacina fronte a COVID-19, e amplamente usado e fabricado en China baixo lincencia cubana. Non é descartable que nos vindeiros meses a aparición dunha cura estea relacionada cos esforzos feitos dende A Habana.Máis de 30 anos leva o país volcado no turismo como sector estratéxico para ingresar divisa. Como sinala o Ministerio de Salud Pública, é moi cedo para poñer datas concretas á apertura de fronteiras para estranxeiros. Non obstante, dados os baixos ratios de contaxio, é probable que sexa un dos territorios da rexión que máis rápido volva a recibir turistas, chegándose a falar dunha posible desescalada a partir de outono, quizais ensaiando con outros países unha "burbulla" de viaxes similar á que está en marcha entre Australia e Nova Zelandia. En calquera caso, realizariase sempre dun xeito ordenado e seguindo as recomendacións da OMS, como ata agora se estiveron a realizar as corentenas de nacionais chegados de tódalas partes do mundo.En diversos terreos Cuba fixo da necesidade virtude durante o durísimo "período especial", nos anos seguintes á caída do campo socialista. A súa agricultura ecolóxica é o máis espectacular dos seus avances, desenvolvéndose dende entón dun xeito poderoso e sendo un recurrente obxecto de estudo a nivel internacional. Unha realidade estreitamente relacionada coa estratexia de desenvolvemento deseñada nas últimas tres décadas, reforzada coa chamada Revolución Enerxética cubana, a tal punto de se converter segundo a WWF no único país do mundo en acadar o desenvolvemento sostible. Datos moi relevantes, nun mundo onde o comercio internacional está a resentirse e no que a adopción do estado de emerxencia climática seguirá a ser unha esixencia.Nestes intres, Cuba comeza a albiscar a luz ao final do túnel. O que xa está chegando agora é unha forte recesión económica de carácter global, cuxo alcance está aínda por comprobar e da que o país formará parte inexorablemente. Porén, as características que vimos de sinalar, combinadas cunha clara vontade política de aplicar as medidas necesarias para conter un posible novo brote, revelan certas fortalezas que suscitan un tímido optimismo dentro do desastroso panorama xeral que se está a aveciñar. Un mundo diferente ao que coñeciamos ábrese camiño, e todo indica que as xentes desa incombustible illa volverán ser protagonistas neste novo tempo.
NOS_32568
As mobilizacións do sindicato nas cidades galegas reivindicou unha "saída galega xusta da crise".
A CIG concentrouse esta cuarta feira nas sete cidades galegas en rexeitamento ao segundo acordo asinado polo Goberno español, a patronal, CCOO e UGT para a prórroga dos ERTE, "mentres seguen plenamente vixentes as reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva ou os recortes nas prestacións por desemprego e os servizos públicos". O sindicato mantén que este acordo concretado no Real Decreto Lei 24/2020 que hoxe se convalida no Congreso dos Deputados e Deputadas, "supón afondar no abuso patronal e un enorme prexuízo para o conxunto dos traballadores e das traballadoras". "Que neste acordo se siga mantendo a reforma laboral, tendo en conta a evolución da crise social e económica derivada da pandemia, xera as condicións perfectas para que estes ERTE rematen en despedimentos. Non derrogar cando menos os artigos da reforma laboral que seguen deixando en exclusiva nas mans das empresas as decisións dos despedimentos, permite que Alcoa ou BorgWarner poidan executar os seus plans de peches e deslocalizacións con total facilidade", advertiu o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na concentración realizada en Vigo. Carril indicou que a partir do día 181 no desemprego, a prestación que se percibe baixa do 70% a tan só o 50% da base reguladora, "supondo un duro golpe para os ingresos dos fogares. Esta foi unha reforma nas prestacións que impuxo o PP en 2012 e que a día de hoxe tamén segue en vigor".
NOS_35963
O comité clínico e a Consellaría de Sanidade acordan elevar a situación de risco nas tres comarcas destas grandes cidades. O conselleiro Julio García Comesaña pide á poboación "unha especie de autoconfinamento" para os próximos días.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acaba de indicar que Compostela, Ames e Teo entran, de forma conxunta, na categoría de "risco extremo". Polo tanto os negocios de hostalaría deberán permanecer fechados no interior e só poderán atender "no exterior a un máximo de catro persoas" xuntas con horarios moi reducidos. Na Coruña, que tamén estaba sendo vixiada xunto cos concellos de Culleredo, Cambre e Arteixo, elévase "de risco medio a risco medio-alto". Ourense e Barbadás viven idéntica sorte, o que supón fundamentalmente que a hostalaría teña que baixar a persiana "ás 18.00 horas e a ocupación se limite ao 30% no interior e ao 50% nas terrazas", onde só poderán xuntarse catro persoas. Polo tanto, continúan vixentes os fechamentos perimetrais. Respecto do fechamento perimetral da Galiza, Comesaña engadiu que vai pasar de estenderse até o 11 de xaneiro a prolongarse durante todo este mes, fundamentalmente pola mala evolución do coronavirus nas localidades do norte de Portugal. Por outra banda, vanse blindar as residencias cunhas prohibicións de nivel alto. "Os residentes non poderán saír e limítanse as visitas a unha á semana e dun único familiar", explicou. Na súa comparecencia desta tarde, que tamén se puido seguir por vía telemática, o responsábel do departamento explicou que "por desgraza a pandemia segue" e, dados os casos diagnosticados até agora e a presión sobre a UCI, "após as festas de Nadal" vese "con preocupación o incremento de positivos na Galiza". Tamén invitou á reflexión polos incumprimentos que se deron durante as festas, algo que "lamentou". En relación a esta dinámica anunciou un inicio de cribados á xente nova, sobre todo á comunidade universitaria, e as medidas comentadas para as residencias de maiores. Aliás lembrou que o virus "non é menos letal" e que non se lle pode perder o medo. Solicitou, por tanto, "unha especie de autoconfinamento e non saír máis que para cuestións esenciais". Incidencia dos positivos A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, falou da incidencia acumulada con e sen contar aos xeriátricos. No Estado español a incidencia acumulada a sete días nas persoas está en 157 e na Galiza en 135. A 14 días sería de 246 fronte a 234-23 e a taxa de PCR positiva é de 3,8% O incremento de casos se vincula fundamentalmente coas sete grandes cidades, especialmente Compostela (292 casos de incidencia acumulada a 14 días) e "levamos tres semanas así". No municipio da Coruña hai 257 positivos a 14 días. Nese mesmo camiño vai Ourense, pero só nesta semana como A Coruña. De aí que se incrementasen as limitacións. Ferrol está en 226 a 14 días. "Vigo mantense máis ou menos constante, agora está en 186, e Pontevedra tamén é un dos concellos estábeis", indicou. A mellor situación sería a de Lugo, con 106 casos de coronavirus a 14 días. Ante esta situación vanse facer máis cribados e "intensificar os rastrexos para ter unha detección precoz" co obxectivo de illar á xente para evitar que aumenten os contaxios, que xa se veñen disparando nas últimas xornadas. A situación dos pacientes nas casas Hoxe hai, segundo as autoridades, 6.476 pacientes dependentes de atención primaria, illados pero con seguimento directo. "O mesmo sucede cos contactos destes casos", insistiu o doutor Flores Arias. Aludiu tamén á presión hospitalaria e contou que "hai 350 camas ocupadas" fronte ás máis de 900 que foi o pico ao que se chegou na primeira onda. "Preocupa a situación de Pontevedra polos críticos" e tamén, A Coruña, pero por rebaixar a evolución do virus. As medidas tomadas intentan controlar o incremento de atencións. Especulacións desde Reis Na última reunión das autoridades políticas co grupo de expertas e expertos que asesora á Xunta sobre a evolución da pandemia xa se decidira unha mobilidade moito máis limitada que nas anteriores datas sinaladas do Nadal. En Reis só pasaron ficaron sen validez os fechamentos perimetrais durante menos de 24 horas e para ver á familia, ou polas casas habitualmente xustificadas (actividades vinculadas ao traballo, á saúde ou ao ensino). Estas novas chegan despois dunha mañá de especulacións en zonas como a comarca da Coruña, onde circulaban como certas mensaxes das limitacións que aínda non foran anunciadas. A tensión era evidente xa hai unhas horas, especialmente no sector da hostalaría co que tivo contacto Nós Diario. As medidas sairán publicadas no Diario Oficial da Galiza (DOG) e se aplicarán a partir de hoxe ou mañá. En resumo, García Comesaña alertou de que estamos nunha "fatiga pandémica" que fai que se perda o medo, máis hai que manterse vixilantes.
NOS_8587
No mediodía do 15 de xullo de 1885 morría Rosalía de Castro na casa da Matanza. 129 anos despois, naquel mesmo espazo, a poesía lembra a grande poeta e fundadora da nova literatura galega.
Na súa casa da Matanza, despois de tres días de agonía, morría Rosalía de Castro, a grande figura das letras galegas. Cúmprense 129 anos do seu pasamento e a Fundación Rosalía, con sede na propia casa na que finou, organiza, como cada ano, un acto na súa lembranza no que intervirán José Manuel Blanco, Pepe Barro, e o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. A seguir, a poesía homenaxeará a grande escritora nas voces de Andrés Fernández, Laura Espiño e Paula Rey, que gañaron o concurso escolar, así como de Gonzalo Hermo, Ledicia Costas, Luís González Tosar, Cesáreo Sánchez e Luz Pozo. O trío Puntada Sen Fío porá o ramo ao acto co "Música para Rosalía". "Abre esa ventá que quero ver o mar", escribiu González Besada que lle dixo Rosalía a súa filla Alexandra xusto antes da súa morte. O fillo Ovidio, con pouco máis de vinte anos, pintaría de maneira tráxica o corpo da nai morta nun óleo que se mostra aínda na casa da Matanza. A poeta sería enterrada no cemiterio de Adina, a pouca distancia da casa familiar, antes de ser trasladada ao Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval.
NOS_35573
40% dos delitos de odio realízanse pola orientación ou identidade sexual da vítima e 17% pola súa condición de inmigrantes ou cor de pel.
En apenas catro anos houbo rexistrados en Galiza 253 delitos de odio, sendo a homofobia e o racismo das principais motivacións que existen nos mesmos. Segundo datos do Ministerio do Interior, entre 2013 e 2016 –último ano do que se publicaron rexistros- houbo constancia oficial en Galiza de 101 delitos de odio motivados pola orientación ou identidade sexual da vítima (39%). Nese mesmo período rexistráronse 43 delitos de odio por racismo e xenofobia, o que supón 17% deses 253. Aliás, en tres anos (2014, 2015 e 2016) houbo no noso país 166 vítimas de delitos de odio. En 2014 foron 66, o ano despois 52 e en 2016 ese número era de 48. Destas 48 rexistradas en 2016, 11 por mor da súa orientación sexual e 18 por racismo e xenofobia. Un de cada tres delitos de odio rexistrados en Galiza durante 2016 tiña unha motivación racista ou xenófoba. Foron 21 dun total de 60. A discriminación pola procedencia ou raza da vítima pasou ser en 2016 a principal causa destes ataques. En 2015 era o odio por ideoloxía e en 2014 e 2013, a principal motivación nos delitos de odio foi a discriminación por orientación ou identidade sexual. En 2015 rexistráronse 64 delitos de odio, cifra lixeiramente superior á de 2014 (foran 62), mentres que en 2013 rexistráranse 67. En total, nestes catro anos o Ministerio do Interior ten constancia de que se produciron en Galiza algo máis de 250 delitos de odio, o que deixa unha media dun destes delitos cada seis días.
NOS_11220
Bastóns (de mando) en alto ao grito de Votarem! (votaremos!). Así comezou a recepción esta mañá na casa do concello de Barcelona ás alcaldesas e alcaldes de toda Catalunya que colaborarán no desenvolvemento do referendo do próximo 1 de outubro. Á recepción institucional que presidiu Ada Colau, alcaldesa de Barcelona, que esta semana anunciou que tamén facilitará as votacións, seguiu outra no palacio da Generalitat, con Carles Puigdemont, o mesmo día que o Boletín Oficial do Estado publicaba o acordo polo que o Estado intervén as contas de Catalunya.
Nun acto convocado pola Asociación de Municipios pola Independencia e pola Asociación Catalá de Municipios, Ada Colau, alcaldesa de Barcelona, expresou esta mañá a súa solidariedade coas máis de 700 representantes municipais que foran citadas pola Fiscalía despois de asinar o decreto de apoio ao referendo. "É unha vergoña que o Goberno de España sexa incapaz de dar unha resposta política e dialogar", dixo Ada Colau, que tomou a palabra xunto as alcaldesas de Badalona, Dolors Sabater, e de Girona, Marta Madrenas, e Adam Tomás, alcalde de Amposta. "Impedir o voto, a expresión do pobo, é unha agresión aos dereitos fundamentais das persoas. Hai que falar de dereitos, e non de leis", subliñou a alcaldesa de Girona, informa NacióDigital. Pola súa banda, Dolors Sabater recordou que a reivindicación "lexítima, persistente e masiva" dos dereitos do pobo catalán está a sacudir "ao réxime do 78 e fai aflorar os seus fundamentos antidemocráticos". Despois, as alcaldesas e alcaldes cruzaron a praza de Sant Jaume para seren recibidos por Oriol Junqueras e Carles Puigdemont no Palau da Generalitat. Na mesma praza volveron alzar os seus bastóns e deron berros pola independencia diante de centos de persoas na principal manifestación de respaldo ás institucións catalás neste primeiro domingo de campaña. O vicepresidente, Oriol Junqueras, manifestou que "a mellor maneira de defender a liberdade de expresión é expresarnos", e recordou que eles, os representantes institucionais, están ao servizo do pobo, da liberdade e da democracia. Pola súa banda, o presidente catalán, Carles Puigdemont, agradeceu o traballo ás alcaldesas e alcaldes en defensa da liberdade e advertiu ao Estado: "Que non subestimen a forza do pobo de Catalunya", segundo informa Vilaweb. Puigdemont indicou que "chegamos ao 1 de outubro como o país que queremos ser: un país libre, un país onde a xente se poida expresar, onde non teña medo se recibirá ou non unha revista porque ten un artigo do referendo, un país no que non se teñan que fechar páxinas web". E concluíu: "Eles poden facer moitas ameazas, poden ter moitos BOEs, pero non vos teñen a vós. Témenvos, e xunto cos vosos veciños, non estaredes sos".
NOS_50378
Convocada pola organización All Under One Banner (AUOB) Cymru contou co apoio de diferentes entidades e plataformas cidadáns e organizacións políticas.
Miles de persoas manifestáronse este sábado en Caerdydd (Cardiff en galés) en defensa da independencia de Gales. Annibyniaeth (Independencia) era o lema na faixa de inicio da mobilización. Procedentes de diferentes zonas do país, reuníronse en City Hall, desde onde marcharon nun ambiente festivo e reivindicativo, pasando por diferentes rúas da capital galesa, reclamando a soberanía para este país, que desde 1998 ten un sistema limitado de autogoberno. Era a primeira gran marcha #IndyWales, en referencia ao cancelo que aglutina as iniciativas e movementos independentistas galeses. A noticia tivo repercusión nos medios británicos: Thousands march in Cardiff calling for Welsh independence, titulaban en The Guardian. Hundred join welsh independence rally, informaban na BBC. Llywelyn ap Gwilym, portavoz da organización convocante, AUOB, recoñeceu que após o resultado do referendo sobre o Brexit "intesificouse" na sociedade galesa o debate sobre o futuro do seu país. Afirmou que aumenta a idea de que os galeses e galesas estarían mellor se Gales fose unha nación independente, e explicou que con actos como a manifestación do sábado queren que se visibilice esa demanda e que se dea un debate en torno a ela. "O independentismo galés sae por fin do armario", parabenizábanse nas redes sociais as independentistas Nesta liña, defenden a independencia tamén como unha vía para enfrontar os recortes impostos desde Londres e garantir un estado do benestar real en Gales. Afirman que todas as décadas de goberno desdea capital británica implicou para este país recortes, pobreza e falla de investimentos. A organización cifrou en máis de dúas mil persoas as que tomaron parte na marcha, entre elas líderes do Plaid Cymru, o principal partido soberanista galés, que ten 10 dos 60 escanos da Asemblea Nacional Galesa, catro deputados e deputadas na Cámara dos Comúns británica e un europarlamentar. O seu líder, Adam Price, afirmou que "durante anos" o "noso desexo" dun Gales independente víano como algo lonxano e case imposíbel. Mais, apuntou, está a haber mudanzas na sociedade, "as mobilizacións aumentan e as voces [a prol da independencia] son cada vez máis altas".
NOS_4342
Cargos dos Consellos galegos e municipais de Podemos en Galiza veñen de presentar as súas dimisións polas diferenzas xurdidas co sistema de primarias do partido de Pablo Iglesias de cara ás eleccións xerais. Tamén din dimitir "por coherencia coa democracia participativa e coa transparencia".
Varios cargos da Dirección galega e municipal de Podemos en Galiza, entre os que se atopan as dúas mulleres máis votadas, comunicaron a súa dimisión por desacordo co sistema de primarias do partido liderado por Pablo Iglesias. Tamén reivindican "o regreso aos principios democráticos da organización", segundo a nota de prensa recollida por Europa Press. Dúas das dimisións cobran especial relevancia, pois son das mulleres máis votadas ao Consello Cidadán Galego. Así, Carmen Santos foi a máis votada nas eleccións a este órgano, mesmo por diante do actual secretario xeral de Podemos, Breogán Riobóo, e na actualidade ocupaba unha das secretarías autonómicas. Pola súa banda, Ana Pérez era a presidenta da Comisión de Garantías. As persoas que dimitiron sinalan que adoptaron a decisión "por responsabilidade e por principios de coherencia cos ideais de democracia participativa e de transparencia". O anuncio tivo lugar na noite de onte, precisamente o mesmo día en que visita Galiza o secretario de Política de Podemos, Íñigo Errejón. As persoas que dimitiron ofrecerán máis detalles nunha rolda de prensa convocada para hoxe.
NOS_24039
A negociación arredor do control dos meios de comunicación públicos costuma ser un dos principais cabalos de batalla na xestación dun goberno de coligazón. Segundo ElNacional.cat, xa hai acordo e, portanto, desatáscase un dos principais atrancos na negociación da investidura. Jordi Sànchez, o ex presidente da Assemblea Nacional Catalana, en Estremera desde mediados de outubro do pasado ano, perfílase como o candidato de consenso do bloco soberanista para asumir a xefatura do goberno catalán. VÍDEO NO INTERIOR.
Acordo entre JxCat e ERC para se repartiren os postos chaves no organigrama dos meios de titularidade pública cataláns. A entente desatasca todo o proceso conducente á investidura do president da Generalitat, posto en risco a semana pasada por discrepancias xusto nesta materia. O pacto é formar un goberno de simetría perfeita, idéntico número de cadeiras para cada formación política, e mesma percentaxe de gasto pública para xestionar. En virtude do pacto -revelado por ElNacional.cat- a presidencia da Corporació Catalana de Mijtans Audiovisuals irá recaer nunha persoa da órbita de ERC. En troca, JxCat designará o xefe de informativos da TV3, cargo que na pasada lexislatura foi ocupado por un xornalista afín á formación republicana. ERC proporá un profisional para a dirección de Catalunya Radio, mentres que as direccións da TV3 e dos servizos informativos da radio pública catalá serán próximas á JxCat. Tamén será un dirixente de JxCAT quen asuma a portavocía do Govern. ERC entrega, por tanto, pezas sensíbeis para, en troca, ficar coa presidencia da corporación, cargo do organigrama de comunicación considerado sensíbel pola formación republicana. E resolvida esta cuestión, as últimas horas presenciaron avanzos significativos rumo ao acordo definitivo sobre a investidura. Xa está despexada a incógnita sobre o rol que vai xogar Carles Puigdemont neste novo tempo político. Presidirá un órgao de nova criación, o Consello da República, que se constituirá os próximos días en Bruxelas. Será unha sorte de president simbólico do xerme do futuro Estado catalán. Canto á persoa que o relevará formalmente como titular da Generalitat, a proposta que neste momento hai sobre a mesa -e que reuniría o consenso de JxCat e ERC- é o ex president da Assemblea Nacional Catalana e deputado de Junts per Catalunya Jordi Sànchez [a quen entrevistamos en Barcelona o 1 de outubro, o mesmo día do referendo]. Está en prisión preventiva en Estremera desde o pasado 16 de outubro, mais, a diferenza de Puigdemont, si podería cumprir o requisito de candidatura presencial no Parlament imposto polo Tribunal Constitucional para non vetar a operación. En todo caso, a decisión última -a de permitirlle saír da cadea para asistir ao pleno- tena que tomar o xuíz do Supremo, Pablo Llarena. Caso de finalmente se frustrar a opción de Sànchez, o nome que se baralla é o de Jordi Turrull, tamén imputado por rebelión, sedición e malversación de fondos, mais en liberdade provisoria por un auto xudicial de Llarena. Niso tamén habería acordo entre JxCat e ERC. Persisten, porén, as discrepancias no que atinxe á vicepresidencia. JxCat vería con bons ollos que a ocupase Oriol Junqueras -por aquilo de restituír o máximo posíbel o Govern previo á intervención do 155-, mentres que Esquerra optaría por Marta Rovira, a súa número dous, por non ter o handicap da privación de liberdade, embora tamén recaia sobre ela o cargo de rebelión pola súa participación nun pretenso estado maior independentista. Nota: recuperamos o vídeo da entrevista que o colaborador de Sermos Antón Escuredo, desprazado a Barcelona, fixo na noite do 1-O a Jordi Sànchez, ben como tamén a Jordi Cuixart, apenas 15 dias antes de ingresaren en prisión.
NOS_32484
Saen á luz -en base ás capturas realizadas- as primeiras análises por parte do sector pesqueiro galego a respecto das consecuencias na frota que ten o veto de Bruxelas á pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico Norte: o palangre de fondo é a arte máis castigada, coa perda de capturas de 50% con respecto a anteriores mareas.
Os barcos galegos que chegaron nas últimas xornadas a porto despois dunha marea completa baixo a influencia do veto de Bruxelas á pesca de fondo aínda son poucos, mais son abondo para que o sector pesqueiro teña extraído as súas primeiras conclusións. A UE reprocha ao Estado español non ter respondido ao veto á pesca con informes Así, o palangre de fondo, como era esperado, está a experimentar as principais perdas derivadas da nova situación, chegando a rebaixar o seu nivel de capturas en 50% con respecto aos resultados de anteriores mareas. Uns datos que foron corroborados a Nós Diario polo presidente da Federación Estatal de Confrarías de Pescadores e patrón maior do porto de Burela, Basilio Otero, nunhas declaracións a este xornal despois da reunión informativa que o sector pesqueiro mantivo en Madrid coas distintas Administracións para avaliar as consecuencias do veto de Bruxelas e os pasos a dar para a presentación dun recurso ao mesmo ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. "No canto de realizar oito ou nove lances, os barcos están a botar 12 ou 13 lances, por iso se están alongando as mareas, porque as capturas son moito menores", explica Otero. "Coincide nunha época, ademais, na que se empregaban moito as zonas vetadas para pescar, polo que as consecuencias están a ser aínda peores para o palangre de fondo, que está a perder a metade das súas capturas", afirma. "Houbo barcos que tiveron que esperar dous ou tres días para coller zona, unhas xornadas nas que teñen que permanecer cos motores acesos, o que provoca perdas, e co prezo ao que está o diésel non hai moita capacidade para intentar experimentar en novas zonas", resalta o presidente da federación estatal de confrarías de pescadores. O BNG critica a "inacción política inaceptábel" de Xunta e Goberno español na cuestión do veto á pesca de fondo A situación é diferente no caso doutras artes como a de volante e o arrastre. "O feito de que se poidan realizar capturas nas zonas até 400 metros fixo que estas artes practicamente non quedaran afectadas", sinala. Os barcos do palangre de fondo, os máis afectados, supoñen un continxente de ao redor de 80 barcos na zona norte do país, entre os portos de Burela e Celeiro. A magnitude do problema visualizase ao ter en conta que supoñen 40% do total das grandes embarcacións galegas. Unha realidade que tamén confirmou a este xornal Suso Lourido, responsábel de frota e xerente de produtores de Celeiro, que indicou que "aínda que non se poden ter unhas estimacións precisas pois non houbo unha rotación completa da nosa frota, os primeiros datos son nefastos facendo a comparación cos dez primeiros días do ciclo anterior". "As primeiras cifras son dunhas capturas de menos de 50%, pero temos que agardar máis resultados para ter unha imaxe da comparativa cos anos anteriores", afirma Lourido. Non soben os prezos A diminución de capturas do palangre de fondo non está a ter un contrapeso na evolución do peixe no mercado. "Hai outras pescarías como a volanta que están tendo bos resultados e non se da compensado o nivel de capturas cos prezos nas lonxas", explica Otero. "Boa campaña" do bonito A nota positiva son as avaliacións con respecto á evolución da campaña do bonito. "Foi unha campaña boa, alongouse no tempo e polo tanto foi moito máis tranquila e houbo maior prezo medio do peixe", sinala. O porto de Burela factura 1,4 millóns de euros en bonito malia a Covid-19 "Non houbo un incremento de capturas, o que pasa é que a cota que temos de bonito alongouse, o ano pasado fechouse o 14 de agosto e este ano aínda non fechou, polo que ao irse vendendo máis a modo, houbo mellores prezos". "A suba do prezo medio compensou a suba de custos, o que evitou que a campaña fora un desastre", culmina. Avances de cara ao recurso contra o veto A mediados de novembro remata o prazo para a presentación do recurso, polo que "en tres semanas como moito ten que estar preparado". A secretaria xeral de Pesca do Estado español, Alicia Villauriz dixo que "non se sabe aínda a data exacta" para a súa presentación, mais "asegurou que o recurso estará preparado canto antes", adianta o patrón maior de Burela a Nós Diario.
PRAZA_3896
AELG, Galiza Cultura, A Mesa ou AGAL propoñen que a Real Academia traslade ao ano que vén as homenaxes ao autor, ante a imposibilidade de celebrar as Letras Galegas con normalidade por mor da epidemia e das medidas de confinamento.
A epidemia de coronavirus está a afectar a todos os ámbitos da sociedade, tamén ao mundo da cultura, ao ensino ou á edición. E podería provocar cambios na celebración das Letras Galegas, que este ano 2020 se dedican a Ricardo Carvalho Calero. Nos últimos días son varias as entidades que veñen propoñendo a extensión do Ano Carvalho Calero ao 2021: AELG, Galiza Cultura, A Mesa, AGAL, AEG...A pasada semana a Real Academia Galega, organizadora da conmemoración, anunciou o traslado ao 31 de outubro do pleno extraordinario e público do Día das Letras (realizado sempre o 17 de maio), aproveitando que un día antes é o 110º aniversario do nacemento do homenaxeado. A RAG tomou esta decisión "ante a evidencia crecente de que a mediados do mes de maio non será recomendable, nin quizais aínda posible, celebrar actos públicos concorridos".Porén, nos últimos días son varias as entidades que veñen propoñendo a extensión do Ano Carvalho Calero ao 2021, preocupadas polas dificultades que o confinamento está a provocar para a realización das actividades de todo tipo programadas ao redor do autor homenaxeado, dende publicacións editoriais, accións formativas nos centros de ensino ata a propia convocatoria de actos públicos. Isto estaría a dificultar o labor de difusión, valorización e coñecemento público que sempre acompaña ás Letras Galegas.A medida estaría "máis que xustificada polo excepcional e grave da situación que estamos a padecer", di Galiza CulturaA federación de asociacións culturais Galiza Cultura fíxoo o sábado, a través dun comunicado no que propuña que a RAG alongue ao ano 2021 a dedicación do Día das Letras Galegas a Carvalho Calero, co obxectivo de manter as actividades previstas nos centros de ensino, sector da edición, medios de comunicación e noutros ámbitos. A medida estaría "máis que xustificada polo excepcional e grave da situación que estamos a padecer", sinalaba a entidade.De igual xeito, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) remitiu unha carta ao presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, na que pide que "se avalíe a necesidade dunha prórroga/alongamento do Día das Letras 2020 ao ano 2021, e, en consecuencia, a non elección dunha nova figura para ser celebrada en 2021". A AELG pide que "se avalíe a necesidade dunha prórroga/alongamento do Día das Letras 2020 ao ano 2021, e, en consecuencia, a non elección dunha nova figura para ser celebrada en 2021"A AELG subliña que "sería unha inxustiza histórica que o autor homenaxeado non poida ser achegado á sociedade e aos seus escolares como todo autor e autora mereceron no pasado, dentro dunha maior normalidade social e cultural". Ademais, engade a AELG, "a que será nova autora do ano 2022, que agardamos sexa unha muller, podería dispor tamén dunha outra normalidade social e cultural"."Como ben sabe, a nosa Asociación apoiou e seguirá a apoiar sempre as actividades da RAG que vostede preside, mesmo nunhas circunstancias tan adversas como as actuais, e nas actividades futuras das escritoras e escritores elixidos", remata a AELG a súa carta. "O curso académico non se retomará con normalidade, librarías e bibliotecas permanecen fechadas, a actividade do asociacionismo cultural está paralizada", alerta A MesaFíxoo tamén A Mesa pola Normalización Lingüística, alertando de que a crise provocada pola Covid-19 interrompeu grande parte dos actos previstos para a difusión, valorización e coñecemento público da figura e da obra do autor galego e que as medidas de distanciamento social "fan que sexa imposíbel polo momento propor alternativas". "O curso académico non se retomará con normalidade, librarías e bibliotecas permanecen fechadas, a actividade do asociacionismo cultural está paralizada e isto afecta de igual maneira ao amplo abano de actividades, homenaxes e recoñecementos por todo o país ao autor homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2020", sinala A Mesa.Finalmente, a Associaçom Galega da Língua (AGAL) destacou nun comunicado que "non ten sentido celebrar unhas Letras ao 10% podendo facelo ao 100%" polo que propón que a RAG "considere o adiamento da homenaxe a Carvalho Calero para o próximo 17 de maio de 2021". AGAL sinala que "Don Ricardo, un dos autores máis completos do século XX galego non merece ficar sometido a tantas incertezas nin ao risco de ficar descoñecido pola maioría dos nosos escolares"."No mes de outubro a receptividade dunha celebración deste tipo, emblemática do mes de maio, veríase drasticamente reducida", advirte AGAL, que di que "non ten sentido celebrar unhas letras ao 10% podendo facelo ao 100%"A entidade engade que a día de hoxe "non podemos garantir que en outubro sexa posible haber concentracións de persoas das características das que se irían producir neste Dia das Letras 2020". E alerta de que "no mes de outubro, con moito traballo de planificación e burocracia en andamento, a receptividade dunha celebración deste tipo, emblemática do mes de maio, veríase drasticamente reducida e é probable que moitos centros educativos renunciasen a unirse a unha celebración prevista para maio". "O proprio profesorado, que viu interrompida a súa formación sobre Carvalho Calero mediante programas de formación, estaría lonxe de poder traballar un autor tan complexo e veríase obrigado a traballar improvisadamente a súa figura", engade AGAL.A Associaçom de Estudos Galegos (AEG) reclamou tamén a extensión ao ano 2021 da celebración da Letras Galegas en homenaxe a Carvalho CaleroFinalmente, a Associaçom de Estudos Galegos (AEG) reclamou tamén a extensión ao ano 2021 da celebración da Letras Galegas en homenaxe a Carvalho Calero. A entidade subliña que coa medida a RAG "non só contribuiría a reparar unha omisión de homenaxe e recoñecemento públicos inxustificadamente postergados durante longos anos" senón que tamén posibilitarían "a aproximación da cidadanía galega a un legado lingüístico e literario fundamental para hoxe revitalizarmos a lingua autóctona da Galiza, prestixiarmos a súa literatura e internacionalizarmos a súa cultura".
PRAZA_6383
Stop Desafiuzamentos convoca unha concentración de solidariedade co bombeiro, sancionado xunto a Jorquera e os voceiros municipais de BNG e EU, que será xulgado o vindeiro xoves na Coruña.
O voceiro parlamentario do BNG, os portavoces municipais do Bloque e de Esquerda Unida, o secretario comarcal da CIG e o bombeiro que se negou a executar o desafiuzamento. Todos eles foron expedientados pola Subdelegación do Goberno na Coruña por participaren na protesta que, en febreiro de 2013, procuraba impedir o desafiuzamento de Aurelia Rey, unha anciá da Coruña. Entre as moitas imaxes daquela xornada dúas destacaron sobre as demais: a dos cargos públicos zarandeados e golpeados polos antidisturbios e a do bombeiro negándose a executar o desaloxo mentres amosaba un cartaz co logotipo de Stop Desfiuzamentos. O traballador enfróntase o vindeiro xoves a un xuízo por unha suposta alteración da orde pública. Como no caso de Jorquera, Xosé Manuel Carril e César Santiso, a proposta de sanción é de 600 euros e o xuízo chega, segundo informa Stop Desafiuzamentos, despois de que o bombeiro esgotase "todas as posibilidades de recurso pola vía administrativa". A xuízo do colectivo cidadán "todas sabemos o que lle molestou" ao Goberno da actitude "do bombeiro que encheu de orgullo á Coruña". Non foi, din, "erguer un papel" co logotipo da plataforma cidadá, senón "que se negase a colaborar para botar da casa unha anciá, deixando en evidencia a vergoñanta estampa do circo policial" despregado ante o edificio. Stop Desfiuzamentos convoca unha concentración de apoio ao bombeiro o vindeiro xoves ás 11 ante os xulgados coruñeses Neste escenario, Stop Desfiuzamentos ve no xuízo "un exemplo claro de ata onde está disposto a chegar o Goberno do PP contra quen loitamos por poñer as persoas por riba do capital, contra quen queremos máis a xente que os cartos", todo o contrario, din, do que representa o "acoso policial" que atribúen, en última instancia, ao delegado gobernamental, Samuel Juárez, e ao seu subdelegado coruñés, Jorge Atán. Así e todo, subliñan, "este ataque ao bombeiro", así como "as constantes multas, xuízos e control policial ao que nos vemos sometidas as persoas que defendemos na rúa dereitos básicos como o da vivenda, a sanidade, a educación ou os dereitos laborais" non van "amedrentar" o colectivo. Tampouco o feito de que, "segundo datos do Ministerio do Interior", Galicia sexa a "terceira comunidade con máis expedientes administrativos abertos, cun total de 110", vinculados a este tipo de sucesos, ao seu xuízo, por "protestar contra as inxustizas coas que o PP está a dinamitar o que nalgún tempo de seu en chamar Estado do Benestar". Neste escenario, e despois de dunha recolleita de sinaturas en apoio ao bombeiro sancionado que "chegou a superar as 100.000" adhesións", Stop Desafiuzamentos chama á mobilización fronte á "estratexia do amedrentamento socail e criminalización da solidariedade imposta polo PP dende os gobernos estatal, galego e local". Nesta liña, a plataforma convida a "arroupar e amosar publicamente o noso apoio a este compañeiro cuxo valor e solidariedade deron a volta ao mundo" acudindo o xoves ás 11 da mañá ante o Edificio Proa, sede do Xulgado do Contencioso Administrativo da Coruña.
PRAZA_2707
Xosé Veiras analiza no blog Un claro no bosque a evolución das emisións contaminantes en Galicia, moi dependentes das centrais térmicas de carbón. A central das Pontes é a principal "fábrica de cambio climático" de todo o Estado.
Xosé Veiras analiza no blog Un claro no bosque a evolución das emisións contaminantes en Galicia, moi dependentes das centrais térmicas de carbón O cumio climático de París dará un novo (e insuficiente) paso na loita contra o cambio climático, superador do Protocolo de Quioto. Desde 1990, o ano de referencia para este protocolo, Galicia apenas reduciu as súas emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases de efecto invernadoiro. Tan só as baixou o 4% entre 1990 e 2013, ano máis recente para o que hai datos oficiais, que se veñen de facer públicos. Sen a crise económica dos últimos anos, as emisións mesmo terían aumentado en comparación con 1990. Algo que previsibelmente volverá acontecer en 2015. Se medrar a economía e non mudaren as políticas públicas, tampouco haberá reducións permanentes importantes nos próximos anos. Se consideramos as emisións por habitante en lugar das totais, as emisións non é que se reducisen só un pouco, é que mesmo aumentaron, rozando as 10 toneladas por habitante Se Galicia tivese asumido solidariamente a súa responsabilidade fronte á urxente e alarmante crise climática global, debería ter reducido significativamente as súas emisións a respecto de 1990. Non foi así. Se consideramos as emisións por habitante en lugar das totais, as emisións non é que se reducisen só un pouco, é que mesmo aumentaron, rozando as 10 toneladas por habitante, superando polo tanto as emisións medias da UE, a diferenza do que acontecía en 1990. Unha cifra que dá a medida da nosa importante responsabilidade, en relación ao tamaño da nosa poboación, no problema climático. E tamén da nosa inacción. Por que Galicia reduciu tan pouco as emisións? O que máis determina a evolución das emisións territoriais galegas é a actividade das centrais eléctricas de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (Gas Natural Fenosa) A resposta principal a esta pregunta hai que buscala nas térmicas de carbón. Cansa dicilo, pero o que máis determina a evolución das emisións territoriais galegas é a actividade das centrais eléctricas de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (Gas Natural Fenosa). A súa importante capacidade de produción –a potencia conxunta destas centrais equivale á de dúas nucleares- sumada ao carácter moi intensivo en emisións de CO2 do carbón, convértenas en "asasinas climáticas". No noso país, non se pode falar seriamente de loita contra o cambio climático sen ollar de fronte para estas industrias. As empresas propietarias e os axentes institucionais, políticos e sociais que da apoio ás centrais de carbón son os grandes corresponsábeis do fracaso galego no combate á mudanza climática. Os datos anuais de emisións do noso país dependen maiormente da produción das térmicas de carbón, de cuxas chimeneas saiu un terzo das emisións totais durante 2013. Así, a baixada do 10,8% nas emisións de 2013 en comparación coas do ano anterior explícase polo descenso do uso do carbón na produción eléctrica. Tamén axudou o decrecemento do PIB, ou a diminución no consumo de derivados de petróleo, pero moito máis determinante foi o menor funcionamento das grandes "fábricas de cambio climático" de Meirama e As Pontes. A redución da súa produción entre 2012 e 2013 fixo que deixasen de emitir á atmosfera global 2.700.000 toneladas de CO2, cantidade equivalente á metade das emisións anuais de todo o sector do transporte, o que máis contribúe ao cambio climático desde o noso país despois das centrais de carbón1. Por que as térmicas de Meirama e As Pontes queimaron menos carbón en 2013? Porque os parques eólicos e os encoros hidroeléctricos xeraron máis electricidade, en detrimento das centrais de carbón Por que as térmicas de Meirama e As Pontes queimaron menos carbón en 2013? Porque os parques eólicos e os encoros hidroeléctricos xeraron máis electricidade, en detrimento das centrais de carbón. Foi así polo tempo que fixo ese ano, máis chuvioso e ventoso que o anterior. Perante o estancamento da potencia instalada en enerxías renovábeis logo do parón decretado polo Goberno Rajoy e mais o reducido nivel de utilización das centrais de ciclo combinado a gas natural de Sabón e As Pontes (menos contaminantes que as de carbón pero tamén menos rendíbeis para as eléctricas), o tempo é o factor que máis está a influír nas emisións de CO2. É previsíbel que as emisións de gases de invernadoiro en 2015 superen as de 1990 Aínda que os datos máis recentes sobre as emisións totais de Galicia só están actualizados até 2013, é fácil prever a tendencia das emisións durante 2014 e o ano que está a piques de rematar simplemente seguindo a xeración de electricidade con carbón. Esta aumentou lixeiramente en 2014 e seguramente medrará máis no presente ano, moi seco. Se ademais temos en conta outros datos, como o crecemento do PIB ou o descenso do prezo do petróleo, é previsíbel que as emisións de gases de invernadoiro en 2015 superen as de 1990. 25 anos claves para a loita contra o cambio climático nos que Galicia non foi capaz de iniciar un vieiro de descenso continuado das emisións. Só a crise económica e os parques eólicos diminúen a achega de Galicia ao cambio climático Onde máis medraron foi no transporte, como resultado do crecemento desmesurado da mobilidade motorizada A pesar de que segue a ser o de maior impacto climático, o sector enerxético foi o único no que se recortaron de forma importante as emisións a respecto de 1990, no que eran elevadísimas, debido ao desenvolvemento das enerxías renovábeis, nomeadamente da eólica. De non ser polos parques eólicos construídos desde finais da década de 1990 e polos períodos de recesión ou estancamento do PIB, as emisións desde o territorio galego terían aumentado sensibelmente desde 1990. Onde máis medraron foi no transporte, como resultado do crecemento desmesurado da mobilidade motorizada. Achega das enerxías renovábeis en Galicia á mitigación do cambio climático segundo o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) O desempeño climático do conxunto do Estado español foi peor aínda que o da nosa terra. Foi, de feito, o peor da UE, ao teren aumentado as emisións un 12% entre 1990 e 2014. No mesmo período, a UE conseguiu reducir as súas emisións un 20%. Estamos a falar de emisións territoriais, dos gases de invernadoiro emitidos polas actividades asentadas dentro das fronteiras dos devanditos territorios. Mais o panorama muda se consideramos a pegada de carbono, isto é, as emisións asociadas ao consumo, sen importar o lugar no que se producen. As emisións desde a perspectiva do consumo deben tamén ser tidas en conta á hora de avaliar a responsabilidade climática dunha economía. E en economías como as europeas (incluída a galega), que externalizan boa parte dos impactos negativos asociados ao seu consumo, estas emisións adquiren unha relevancia especial. Pero non se inclúen nas estatísticas oficiais, talvez porque nos din cousas que non queremos saber. Como que as emisións ligadas ao consumo da UE en 2009 eran un 2% máis altas que en 1995. Parece pois que a UE non é tan campioa na loita contra o cambio climático como nos queren facer crer. Se sobre a evolución das emisións vencelladas ao consumo da UE falta información, sobre as asociadas ao consumo da economía galega non sabemos case nada. Só hai unha estimación, referida ao ano 2007 e só para o consumo privado: 8,2 toneladas/habitante, unha cifra elevada no contexto mundial e intermedia no español. Malia a falta de información, semella claro que tanto o impacto climático da Galicia produtora como o da consumidora son excesivos. Os cinco grandes contaminadores Un 30% da electricidade producida no noso país durante 2013 e 2014 procedeu do carbón importado Abordar a achega de Galicia ao cambio climático, sexa da pespectiva que for, lévanos sempre ao carbón. Porque para explicar o anterior dato, relativo á pegada climática do consumo privado galego, entre outros factores importantes, como a adición ao automóbil privado ou a unha dieta con exceso de carne, hai que ter en conta tamén a orixe da electricidade que consumimos, na que o carbón ten aínda bastante peso, o que eleva a pegada climática do consumo eléctrico, dado que o carbón é, como xa vimos, un combustíbel moi intensivo en emisións de CO2. Un 30% da electricidade producida no noso país durante 2013 e 2014 procedeu do carbón importado. Emisións de gases de invernadoiro durante 2013 en Galicia Se ollamos para as maiores responsabilidades individuais, o carbón convértese na principal razón a ter en conta. Tan só cinco empresas son responsábeis do 45% das emisións territoriais de Galicia. E entre elas sobrancea a eléctrica ENDESA, o maior inimigo do clima en territorio galego por causa da súa central de carbón das Pontes, que nalgúns anos, como o pasado, é o maior foco emisor de CO2 de todo o Estado español. En 2013 incluso emitiu máis CO2 que as comunidades autónomas de Navarra ou Cantabria. A segunda empresa posicionada no ranking dos maiores contribuíntes ao cambio climático é Gas Natural Fenosa. A razón non é outra que a súa central de carbón de Meirama, máis pequena que a das Pontes. A terceira é Alcoa, dedicada á produción de alúmina e aluminio, devoradora de electricidade. A grande factoría de alúmina-aluminio de San Cibrao construiuse á par da central de carbón das Pontes. Aluminio e carbón forman unha parella moi unida en Galicia. Galicia debería iniciar xa un camiño de descenso drástico e continuado das súas emisións. O que pasaría, a (non tan) longo prazo, pola descarbonización de toda a economía, pola superación do produtivismo e o consumismo Perante a decisiva encrucillada climática na que está a humanidade, Galicia debería iniciar xa un camiño de descenso drástico e continuado das súas emisións, que están moi por riba das que nos corresponderían nun reparto xusto dun ben común básico para o benestar humano como é a capacidade de absorción de carbono do planeta. O que pasaría, a (non tan) longo prazo, pola descarbonización de toda a economía, pola superación do produtivismo e o consumismo, polo decrecemento no uso dos recursos naturais. E comeza, antes que nada, por pechar unhas térmicas de carbón innecesarias para atender o consumo interno galego e enerxeticamente ineficientes. Con moita diferenza, esa sería a medida que por si soa máis podería recortar as emisións en menos tempo e a menor custo. Mais poucos parecen querer baixar os fumes ás térmicas de carbón galegas. NOTAS 1- A redución das emisións totais en 2013 en comparación con 2012 foi de case 3 millóns de toneladas. Os descensos rexistrados noutros sectores diferentes ao da produción eléctrica foron moi inferiores, sendo o maior o habido no sector industrial (375.000 toneladas menos). Máis información sobre as emisións de gases de invernadoiro en Galicia entre 1990 e 2013
NOS_44497
Veciñ@s e propietari@s de montes da Costa da Morte denunciaron hai meses que aparecían como beneficiarios de axudas da Xunta á repoboación que nunca solicitaran nin recibiran. Medio Rural optou por gardar silenzo. Até agora, que vén de recoñecer que todo apunta a que "houbo enganos e falsificacións".
Após meses de negalo por activa e por pasiva, cando non calar, de se negar a recibir aos e ás afectadad@s-estafad@s... a Consellería de Medio Rural recoñeceu esta semana que o que veciñ@s e comuneir@s da Costa da Morte levaban tempo denunciando, e que está mesmo en mans dos xulgados, pode ser certo. Xa nos primeiros meses de 2012, desde Sermos Galiza se informaba de que o xulgado de Corcubión estaba a investigar unha empresa presuntamente implicada nos feitos, destapados pola Federación Rural Galega (Fruga). A fraude saíu á luz a raíz de que propietarios de montes na Costa da Morte decatáronse 'por casualidade' de que eran beneficiarios de axudas da Xunta que nin tiñan solicitado nin tampouco recibido. Contas fraudulentas Os cartos desas subvencións, unha vez concedidas, serían ingresados en contas bancarias presuntamente fraudulentas, abertas a nome deses propietarios sen eles o saberen. E mesmo esas actuacións de repoboación terían sido certificadas por técnicos como feitas, a pesar de non se teren,levado a cabo.. Responsabilidades da Xunta A Fruga afirmaba naquela altura que tanta ou máis indignación que o proceder dos empresarios denunciados causa "tanto a implicación das entidades bancarias, como a propia responsabilidade da Xunta en todo este proceso". E exixía, independentemente da vía xudicial, unha investigación a fondo por parte da administración do acontecido e unha solución colectiva ao problema creado. Pois agora, o secretario xeral de Medio Rural. Fernández Couto, afirmou no Parlamento que este tema "non émenor" e mesmo recoñeceu que todo apontaba a que era "evidente" que houbo "engano e falsificación". Iso si, apelando a que a cuestión estaba en mans da xustiza, desbotou abrir unha investigación por parte da administración. Case un millón de euros Segundo os datos do propio secretario xeral, nesta trama estarían involucrados preto de 90 expedientes de axudas a reforestación, por un importe de máis de novecentos mil euros. A oposición (BNG, PSdeG, AGE) criticou a xestión que a administración galega ten feito deste caso ao longo destes meses.
NOS_40783
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalou esta mañá que "a porcentaxe na UCI de persoas sen vacinar é de 70%" e avanzou novas medidas en relación cos sanitarios non vacinados.
O máximo responsábel sanitario da Galiza amosou a súa preocupación pola porcentaxe de sanitarios que prestan os seus servizos no sistema galego de saúde e que non teñen inoculada ningunha dose da vacina. Sanitarios non vacinados "Nós traballamos de forma intensa para que todos os sanitarios que están a atender aos doentes estean vacinados. Neste sentido, igual que a unha persoa da rúa non lle podemos esixir que se vacine, si podemos pór mecanismos para poder tentar que teñan maiores posibilidades de vacinarse. E no caso de non estar vacinado, ter outro mecanismo como facerse probas", destacou o conselleiro. Comesaña precisou que o seu departamento "traballa agora mesmo desde o punto de vista normativa para implantar" a medida. Así, lembrou que "é necesario garantir que en determinados postos, o persoal estea en condicións de seguridade respecto aos doentes e aos compañeiros". O conselleiro de Sanidade demandou prudencia e significou que el "non recomendaría a ninguén dun contacto estreito que se vaia a cear, a comer ou a casa de alguén". "Recomendamos facer vida normal pero con precaucións", aseverou o responsábel sanitario. Certificado Covid nos menores de 12 anos Comesaña referiuse, tamén, ao certificado Covid nos menores de 12 anos. "Eu dubido", afirmou o conselleiro que "até que non teñamos a segunda dose nos nenos abordemos o certificado. É verdade que xa cunha dose poderíamos poñelo en marcha, pero, e un tema que tampouco está fechado a nivel europeo, seguramente esperemos a ter a segunda dose completa". "Cos mecanismos que tivemos e sen vacinar, non houbo grandes problemas. O nivel de complicación que tivemos até o de agora, probabelmente non xustificaría entrar na dinámica de pedir certificados nos colexios; si noutras contornas", especificou o conselleiro. O titular da carteira de Sanidade explicou que "non se afondou" aínda nesta cuestión, mais deixar fora ás escolas "ten que ver co contexto do que os contaxios significan". "Vendo o funcionamento nos colexios, non debería ser prioritario", insistiu Comesaña, quen considerou máis necesario actuar noutros ámbitos como "hostalaría, cinema ou eventos masivos"
NOS_34356
CIG denuncia a irregular distribución de fondos da Convocatoria de formación contínua
CIG vai impugnar a proposta para a Convocatoria da Formación contínua 2012 polo que entende unha "irregular distribución de fondos". Dita distribución, feita pola Consellaría de Traballo, a xuizo da central nacionalista "viola os criterios finalistas que os regulan", pois pretenden utilizar as cotas de formación profesional dos traballador@s e empresariado "para financiar as políticas do actual goberno", alén de estrañarse polos criterios polos que se van dirixir "18 millóns de euros desas cotas a programas de empresa e se van deixar de investir 2 millóns de euros en formación contínua". Fondos Dos 81,5 millóns de euros destinados ao noso país, a Xunta atribúe 54,5 millóns a programas para desempregad@s, 8 millóns a programas para activos e 18 millóns a Escolas Obradoiro. Alén diso, dos 8 millóns encadrados na formación para traballador@s en activo, propón investir só 6 millóns no ano 2012, asegurando que hai xa 2 millóns comprometidos do ano anterior. A CIG aposta porque se redistribuan os fondos de formación con destino íntegro a programas de formación para o emprego, xa que eses recursos "en exclusiva, das cotas de traballado@s e empresariado a este fin, ao non ter achegado o goberno un só euro". Manuel Anxo García Torres, secretario confederal de Formación, denuncia a "perversa utilización da fraude e do engano político" como vía de actuación social e o "cuestionábel desvío de fondos finalistas de formación para o emprego, detraídos das nóminas das traballadoras e traballadores e empresariado para actividades múltiples que non retornan aos colectivos aos que se lles practicaron os descontos, en forma de acción de cualificación e recualificación profesional".
NOS_50544
A organización tranquiliza á poboación asegurando que esta cepa "non está a circular moi activamente".
A Organización Mundial da Saúde (OMS) garantiu esta quinta feira, 6 de xaneiro, que as persoas expertas xa están a facer un seguimento da subvariante B.1.640.2. -a que se deu en chamar IHU- detectada hai pouco tempo en Francia. Así o explicou a epidemióloga líder da institución, a doutora Maria Van Kerkhove, que puntualizou que esta subvariante da Covid-19 "non está a circular moi activamente", polo menos de momento. A especialista subliñou que a cepa fora detectada en setembro de 2021 nalgúns países polo que xa se puxo "baixo supervisión" de forma oficial o pasado mes de novembro. En todo caso, Van Kerkhove aclarou aos medios que "esta variante representa menos de 1% das mostras en Francia". "Hai dúas subvariantes: a B.1.640.1 e a B.1.640.2, e é importante que as sigamos, pola cantidade de mutacións coas que conta", reflexionou, tranquilizando á poboación mundial porque os contaxios desta variedade do coronavirus non son moitos. As vacinas, efectivas "É bastante común que esta situación ocorra", subliñou a experta da OMS, que garantiu que "as vacinas actuais contra a Covid-19 funcionan para todas as variantes activas". Ante os interrogantes que comezan a xurdir en todo o mundo, a directora do Departamento de Inmunización da OMS, Kate Ou' Brien, tamén falou ao respecto destacando que se trata dunha "cepa menos activa" que esta na fase de "ser avaliada"."É unha variante que quizais está a aumentar a súa prevalencia. Contamos con probas específicas da mesma, pero está pendente dunha análise máis profunda", engadiu a responsábel.
NOS_24986
Faleceu de madrugada no sanatorio da Coruña onde estaba ingresado.
Faleceu Xosé Ramón Barreiro (Ribeira, 1936), historiador e quen fora presidente da Real Academia Galega entre 2001 e 2009. Faleceu aos 84 anos de idade no sanatorio da Coruña onde estaba ingresado. Barreiro naceu na localidade barbanzá de Ribeira. Licenciouse e doutorouse en Dereito Canónico pola Universidade Gregoriana de Roma. En 1974 obtivo a licenciatura en Filosofía e Letras, con premio extraordinario. Doutorouse en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese O campesino galego no século XIX: economía e sociedade e foi catedrático de Historia Contemporánea de Galiza na mesma universidade. Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia. Desde o 20 de decembro de 2001 até o 23 de xaneiro de 2010 foi presidente da Real Academia Galega, substituíndo Francisco Fernández del Riego. Foi membro desde a súa fundación do Consello da Cultura Galega. Os seus traballos de investigación céntranse sobre todo na historia contemporánea de Galiza e están recollidos nunha ampla lista de artigos e obras. Destacan: El carlismo gallego (1976), Historia Contemporánea de Galicia (1981), obra pola que recibiu o Premio da Crítica 1982, La imprenta en Galicia (1982), Historia de la imprenta en Galicia (1990) ou os catro volumes dedicados ós séculos XIX e XX que publicou dentro do proxecto editorial Galicia (1991). Recibiu o Premio da Crítica (Investigación), en 1985 e 2000, o Premio Santiago da TVG no ano 1987, a Medalla Castelao no ano 1991, a Insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela e o Premio da Asociación de libreiros, entre outros. O seu libro Murguía recibiu o Premio da Crítica 2013 na modalidade de Investigación. A nova do pasamento causou un forte pesar no mundo da cultura e da investigación histórica da Galiza.
NOS_9617
As directivas do Instituto da Lingua Galega e o Consello da Cultura Galega decidirán nos próximos días que resposta dar ás declaracións do secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, segundo as cais esas entidades terían presionado para a institución até agora presidida por Ferrín retirar o recurso contra o Decreto do Plurilingüísmo.
O Consello Científico do ILG xuntarase esta quinta feira para decidir que posición tomar diante das acusacións do secretario da Academia. É o prazo mínimo de tempo para se xuntaren que recolle as convocatorias oficiais despois de se coñecer as declaracións de Axeitos e a demisión de Ferrín como presidente da Academia. Será entón cando decidan a posición oficial do ILG arredor do tema.Membro do ILG e profesor da Universidade de Santiago, Xosé Luís Regueira entrou como numerario na Academia hai menos de un ano, con Xosé Luís Méndez Ferrín como Presidente. Remite á xuntanza da quinta feira que dará a coñecer a versión oficial do ILG, mais a título persoal está a vivir a situación "con tristeza. A situación evidencia que non conseguimos despegar das liortas e divisións internas cando tiñamos que estar unidos polas tarefas urxentes que existen", comenta. "Os que nos dedicamos á lingua galega sabemos que temos un espazo moi reducido na sociedade e, malia iso, dedícase tempo a cuestións de poder e non a estratexias urxentes como facérmonos máis visíbeis socialmente" sinala Xosé Luís Regueira. Sorprendeulle especialmente o feito de Ferrín non só demitir, senón tamén abandonar a Academia, despois do respecto institucional que demostrou nestes anos á institución que mentaba como a "Academia de Murguía, de Curros e de Castelao". X.L. Regueira, (ILG) académico, "Non nos conseguimos despegar das liortas e divisións internas cando tiñamos que estar unidos polas tarefas urxentes" Canto aos dardos que Axeitos dirixiu ao ILG, Regueira remite de novo á xuntanza do Comité Científico do instituto mais, no entanto, avanza que "se hai dous membros na executiva da RAG iso demostra que como institución non executou ningún tipo de presión".Ao presidente do Consello da Cultura Galega, o historiador Ramón Villares, a noticia da demisión de Ferrín e as acusacións de Axeitos collérono en Lisboa, cidade á que viaxou para dar unha conferencia. Villares chegará a Santiago hoxe terza feira á tarde e o CCG ten convocado para mañá cuarta feira á mañá unha xuntanza da executiva na que se tratará o tema. En todo caso, fontes do CCG remiten ao informe que o Consello entregou en sede parlamentaria no que queda á vista a súa oposición ao Decreto de Plurilingüísmo defendido polo goberno de Feijóo.
NOS_23998
A folga no servizo de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago de Compostela chega á súa oitava xornada. Esta segunda feira, 30 de decembro, ás 12 da mañá, os traballadores e traballadoras do mesmo convocaron unha concentración de protesta.
A folga de Urxencias, que abranxe das segundas feiras ás oito da mañá ás oito da mañá das quintas feiras, é outro síntoma máis das consecuencias das políticas de retalladas orzamentarias na sanidade pública dos goberno de Núñez Feixoo. Nas últimas semanas, a conflitividade dentro do sistema sanitario é altísima e afecta a todos os ámbitos: hospitais, PAC, ambulatorios ou ambulancias. O propio comité de folga de Uxencias de Santiago esixe dotación orzamentaria e de cadro de persoal en todas as categorías -médicos, enfermeiras, celadores e TCAE- "para ofrecer unha asistencia sanitaria de calidade que evite o colapso que está a sufrir o servizo". Os representantes dos traballadores afirman que a xerencia da área sanitaria "sabe que o plan funcional implantado até agora non é viábel por mor da escaseza de persoal" e que se comprometeu a melloralo. Polo momento, non o fixo á altura das demandas das empregadas e empregados.
NOS_21368
A xustiza belga mantén en liberdade o rapeiro e resolverá a extradición o 17 de setembro.
A lexislación belga mantén en liberdade Josep Miquel Arenas, Valtònyc, mentres non resolve a solicitude de extradición feita polo Estado español. O cantante compareceu esta segunda feira nun tribunal de Gante (Flandres), que examinou a solicitude da xustiza española, que solicita a súa entrega por terrorismo, ameazas e insultos á coroa. Os avogados de Valtònyc Gonzalo Boye e Simon Bekaert explicaron logo da audiencia que o fiscal até desbotaba a acusación de terrorismo solicitada polas autoridades españolas na euroorde. Agora verase se o xuíz belga decide extraditar o cantante por ameazas. A resolución, nunha nova vista o vindeiro 17 de setembro. Boye dixo: "Hai cousas que foron moi claras: unha é que non é un delito de terrorismo, e o outro é que o día 17 teremos unha resolución. E confiamos plenamente no tribunal e consideramos que estes feitos non cumpren o requisito de dobre incriminación con respecto á lexislación belga e de conformidade co Convenio Europeo de Dereitos Humanos e Liberdade de Expresión"
PRAZA_20978
Estou moi ledo co entusiasmo de Óscar Cobos. Quere contar a historia da emigración galega ao Río da Prata seguindo ou ao compás dunha danza que desde o comezo leva pingueiras de sangue galego do seu ADN. O seu ánimo é a confirmación de que o sentimento de pertenza é indestructible e a súa forza empurrará para conseguir que o tango dos galegos teña un oco dentro do programa dobre do Ano Santo Xacobeo
O bailarín e coreógrafo compostelán Óscar Cobos é persoa culta, quero dicir que ademais dunha sólida formación na súa profesión, ten conciencia identitaria. Estivo varios anos na Arxentina para aprender todas as reviravoltas da danza do tango pero a súa inquedanza levouno a querer saber sobre os emigrantes galegos que bailaron ou escribiron ou crearon partituras musicais. Antes da pandemia estivemos compartindo historias. Sorprendeume moito cando comentou que estaba a darlle voltas a un proxecto sobre a presencia de emigrantes galegos na historia do tango riopratense. Quedei moi compracido xa que é o primeiro galego ao que se lle ocorre intentar facer un resgate despois das iniciativas do meu prezado Adolfo (Adolfo José Lozano Bravo) e da miña prezada Graciela (Graciela Silvia Pistocchi Pereira).O pai de Adolfo era de Santalla de Dumpín (Castro de Rei) e o avó materno de Graciela de San Miguel de Goiás (Lalín) e ámbolos dous mantiveron unha amistade estreita desde que se coñeceron nas clases que se impartían, os sábados pola tarde, no Instituto Arxentino de Cultura Galega do Centro Galego de Bos Aires. Eu coñecinos en Montevideo no ano 1979 cando se achegaron pola capital uruguaia para participar nun acto no Centro Galego que celebraba o seu centenario. Os anos foron pasando e logo coincidín con eles, acó e acolá, en diferentes actividades e lugares da colectividade. Uns meses antes do falecemento de Adolfo [20/5/2014] tiñamos perfectamente estruturado un Curso Especial que demoninamos A emigración galega no tango riopratense e que eu impartiría no Centro Galego da Prata e no Centro Galego de Avellaneda. Nestes dous espazos da colectividade era onde Adolfo daba unhas moi documentadas charlas sobre diferentes aspectos da nosa cultura poñendo énfase na paisaxe mediante a proxección dunha selección dos milleiros de diapositivas do seu valioso arquivo persoal.A proposta era para presentar na Dirección Xeral de Política Lingüística xa que o curso sería impartido en idioma galego. A petición era dun billete aéreo e unha pequena axuda para manutención (un total de 1500 euros) xa que o aloxamento estaba solucionado polo ofrecemento xeneroso de dous bos amigos: Carlos Penelas e Carlos Ameixeiras. O programa pensouse para cinco fins de semana e de acordo co seguinte temario: I) As cidades de Bos Aires e Montevideo. O berce do tango; II) Os conventillos. A vivenda do tango; III) Os barrios galegos. Entre gauchos, negros e mate; IV) A linguaxe do tango. Letras e temas tangueros; V) Cinco galegos para o tango. En cada clase teríamos a colaboración de Graciela que interpretaría un ou dous tangos, en galego e en castelán, elixidos en orde cronolóxica e tamén pola súa temática. A neta de Lalín é moi coñecida polo seu disco Terra Meiga pero nesta oportunidade botaríamos man da súa pioneira gravación Nas beiras do Prata que fora apadriñada polo inesquecible doutor Antonio Pérez Prado.Así é que pasou o tempo e estou moi ledo co entusiasmo de Óscar Cobos. Quere contar a historia da emigración galega ao Río da Prata seguindo ou ao compás dunha danza que desde o comezo leva pingueiras de sangue galego do seu ADN. O seu ánimo é a confirmación de que o sentimento de pertenza é indestructible e a súa forza empurrará para conseguir que o tango dos galegos teña un oco dentro do programa dobre do Ano Santo Xacobeo. Agardo esperanzado que a súa razoada proposta poida concretarse. O obxectivo é lembrar aos devanceiros da diáspora ao mesmo tempo que se promove o interese sobre unha creación cultural que desde o ano 2009 é Patrimonio Inmaterial da Humanidade. O que non ofrece dúbida (se entra na programación) é que a actuación recibirá os aplausos do público. Ademais e quizais sexa o máis importante, servirá para a expoñer no amplo escaparate do Xacobeo ao tango que agromou da morriña que sementaron os nosos emigrantes nas beiras riopratenses.
PRAZA_7517
Clodomiro Montero, responsable de CIG-Banca, asegura que a intención da Xunta é "entregar" Novagalicia "a un fondo de investimento voitre e especulativo norteamericano" tras "baleirar" a entidade para vendela "máis barata".
Clodomiro Montero, responsable de CIG-Banca, coñece como poucos a situación do sector financeiro galego e, nomeadamente, de Novagalicia. Co inicio da negociación do ERE previsto, e que suporía o despido duns 2.500 traballadores, este representante sindical insiste na "continua provocación" da entidade e na "estratexia" de Xunta e Goberno central para acabar entregando o banco "a un fondo de investimento voitre e especulativo". Os sindicatos denuncian acotío a "tomadura de pelo" por parte de Novagalicia Banco nas negociacións do ERE. Xa no período previo de negociación do ERE asistimos a unha continua provocación por parte da entidade, con falta de documentación, con información en inglés... Unha auténtica provocación co único obxectivo de que houbese unha ruptura desta negociación para poder poñer o ERE en marcha canto antes e xustificalo en base á actuación da parte sindical. Sempre fomos conscientes disto e por iso mantivemos a nosa intención de negociar. Isto levou a que a empresa dese por rotas estas consultas incumprindo o convenio colectivo. E como empezou a propia negociación do ERE? Pois o martes volvemos asistir á mesma actitude. A dirección da empresa non aceptou a mediación e volver ao período anterior de consultas, e nesta primeira reunión do ERE só se deu cumprimento ao legal, pero a negociación é nula. Entrégase unha documentación nun CD e non se dá ningún tipo de alternativa ao plan de reestruturación. "En contra do que se di, a proposta segue a ser de 2.500 despidos" José María Castellano di que haberá menos despidos dos previstos inicialmente... En contra do que se está a dicir, o certo é que seguen a ser 2.500 despedimentos porque se vai abrir un ERE paralelo aos traballadores da corporación, mentres que nas oficinas de fóra do Estado terán que ir a procedementos en base á lexislación de cada país. En definitiva, seguen sumando 2.500 despidos. A posición da empresa, e polo tanto do Goberno, segue a ser inamobible. A súa idea non é máis que aplicar nas entidades nacionalizadas unha reforma laboral que o mesmo Goberno aprobou e que se basea en que calquera reestruturación ten que realizarse a través de despedimentos e baratos e favorecendo a parte empresarial. A sensación é de pesadume. Son 2.500 persoas despedidas, milleiros de familias e casos humanos moi tristes e preocupantes. Achega a documentación que lles facilitaron algo novo? O que xa é público. Que as contas van pechar con 8.000 millóns de euros de perda, pero xa levamos catro ERE, catro plans de viabilidade, auditorías previas á fusión... E ningún deles se cumpriu. Que o rescate sexa máis gravoso ten que ver con esas políticas que están a aplicar no conxunto da sociedade e que se basean nos recortes. Canto máis se recorta na empresa, en peor situación queda. A situación que vive agora a entidade vén dada por unha mala xestión anterior, coas complicidades de todos os organismos supervisores, pero tamén pola situación na que se deixa a empresa a través dos continuos procesos de reestruturación e dos axustes. Estamos nun túnel sen saída? Canto máis se recorte a empresa, en peor situación queda e máis dependente se fai das axudas públicas. Estamos metidos nunha bóla na que se desmantela cada vez máis a entidade e cada vez máis precisa de axudas públicas. É semellante ao que ocorre no conxunto da economía. "O FROB e o Estado non teñen intención ningunha de negociar, senón de aplicar a reforma laboral e despedir axiña" Non ve en Novagalicia Banco intención ningunha de modificar o plan de reestruturación? Por parte do FROB e do Estado non hai intención ningunha de negociar, senón de aplicar a reforma laboral que para iso a aprobou. Nese camiño non nos imos atopar nunca e por iso estamos en conflito. Ademais, non hai nin un só colectivo implicado en Novagalicia que non saia prexudicado. A clientela, os traballadores, a obra social... Están convertendo débeda privada en débeda pública. "O que hai é un baleirado da entidade para que a merquen máis barata e non para que sexa máis viable" Cal cre que é o obxectivo final desta estratexia? O que se pretende é vender a empresa en 2015 e todas estas perdas agroman porque hai que provisionar, incluso préstamos que están a correntes de pago se obriga a provisionalos polo 100%, algo inédito no sector. Préstamos sans tamén pasan ao Sareb, o banco malo. O que vemos é que hai un baleirado da entidade para reducir nun 60% a entidade, e non para que sexa máis viable, senón para reducir as necesidades de capital no futuro e para que en 2015 alguén poida mercala máis barata. E quen a mercará? Ou se vende a un gran banco ou se aplica a solución de Castellano, e que apoia Núñez Feijóo, que é entregar case a metade do sistema financeiro galego a un fondo de investimento voitre e especulativo norteamericano. Isto supón converter Galiza nun país bananeiro, algo que ningún goberno do mundo permitiu, pero que aquí está avalado polo Goberno central e apoiado pola Xunta. É gravísimo. "O obxectivo de Feijóo é evitar o rescate mantendo un banco zombi que merque a débeda da Xunta" Que pretendería a Xunta con esa venda? Mantívosenos como unha entidade zombi, o que prexudicou a clientes con débeda subordinada e os traballadores, pero polo camiño beneficiouse unha estratexia. O obxectivo é que a partir de 2015, coas provisións feitas e en período de privatización, a entidade terá capacidade para mercar débeda pública, tal e como se nos expuxo. O que pretende Feijóo é evitar o rescate mantendo unha entidade zombi que terá capacidade para mercar débeda da Xunta de Galicia. Este é o plan real do Goberno galego: evitar o rescate mantendo unha entidade zombi que lle adquira a súa propia débeda. Así poderá seguir dicindo que Galiza é a autonomía máis solvente do Estado. Dános medo escoitarlle isto a Feijóo porque lembramos tamén cando dicía que Novacaixagalicia era unha entidade solvente. Se a solvencia da Xunta é a mesma que a de NCG, o panorama é terrorífico. Cre de verdade que este será o destino final de Novagalicia? Estamos convencidos de que isto é unha fraude social. Vaise levar a cabo unha reestruturación cun gran custo social e para o beneficio de quen quede coa entidade en 2015. Atrás hai unha manobra para que queden con ela fondos de investimento norteamericanos. O maior acredor que ten Novagalicia Banco é a Xunta de Galicia e o que queren é que siga sendo así porque se garante ter conta cunha entidade que si ou si poida seguir en disposición de mercarlle a débeda que emita a Xunta. Así dá imaxe de gran xestor económico e de solvencia, esa imaxe que constantemente vende o presidente. Os sindicatos chegaron a pedir que se vendese a entidade canto antes se non se cambiaban as intencións... A CIG sempre matizou esa afirmación. Hoxe a entidade ten unha cota de negocio do 40% en Galicia e é moi apetecible para os grandes grupos bancarios do Estado. Loxicamente, unha entidade minimizada e empeorada imposibilita unha alternativa que non sexa a súa venda aos fondos de investimento, se se deciden a entrar. A empresa pasa a ter menos valor cara ao futuro e Joaquín Almunia xa dixo que ou se vendía ou se liquidaba. Así que, que ocorrerá se non chegan os fondos norteamericanos? En que situación quedamos? Por iso manifestamos que case era preferible unha poxa actual sen recortes, entendendo como recortes a diminución do valor da empresa. Quedará unha entidade saneada con máis depósitos que préstamos e isto é o que vai permitir seguir mercando débeda pública, que estamos convencidos que é débeda da Xunta. Vostede leva anos alertando de que isto podía ocorrer. En 2005, José Luis Méndez presentou un plan de expansión brutal que pretendía chegar aos 1.000 millóns de beneficio para Caixa Galicia en 2010, e mira onde estamos. Sempre lle dixemos que iso era o conto da leiteira e advertimos da situación. En tempos do goberno de Emilio Pérez Touriño reunímonos co director xeral de Política Financeira, que nos acusou de deslealdade cos directivos das entidades porque eles o estaban facendo moi ben. Tamén falamos con grupos políticos para advertir do que se nos viña enriba. O BNG insistiu na necesidade dunha reforma da lei de caixas e incluso Xaquín Fernández Leiceaga asegurou que o PSdeG defendería esa proposta, pero cando chega ao Parlamento, os socialistas fai unha defensa numantina dos directivos por motivos electorais e localistas. "Estamos ante a última oportunidade; Novagalicia debe ser un banco público dependente da Xunta" E agora, hai plan alternativo? Estamos convencidos de que hai un plan alternativo ao que se nos presenta. Estamos ante a última oportunidade. A entidade ten que ter vocación de servizo cara á cidadanía e manter oficinas que dean servizo ao pobo. O plan pasa por que esta entidade sexa pública e dependente da Xunta. O lóxico é que no momento que tes unha tasa de morosidade e hai clientes que non che poden pagar, ti mesmo vaias a unha quita, sentes cos acredores da entidade, vaias a un plan de reestruturación da débeda e a minimices, e non que o conxunto da sociedade se teña que facer cargo do 100% dunha débeda derivada da mala xestión. Defendemos un plan alternativo sen tanto custo social nin laboral e que permitiría a Galicia contar cun sector financerio que non fose bananeiro, algo que non permitiría ningún país do mundo, agás esta Xunta de Galicia. Pediron xuntanzas co FROB e con Feijóo, segue sen haber resposta? Quen está detrás dos despidos son a entidade, a Xunta e o Goberno central, e non Bruxelas como se nos vende. É normal que non nos reciban porque son eles os que nos queren botar e aplicando a reforma laboral que eles mesmos aprobaron. Non queren dar a cara, pero os traballadores e as súas familias xa teñen claro quen os quere despedir. Non descartan un paro total na entidade? Un conflito destas características irá evolucionando. Se non hai un avance na negociación, non nos quedará máis remedio que ir aumentando as xornadas de paro e as xornadas de folga, sen desbotar un paro indefinido. Tamén é certo que estamos nunha unidade de acción sindical e que tamén temos unha visión sectorial, porque isto afecta a outras entidades do Estado. Iremos a un conflito sectorial no que se convocarán folgas a nivel estatal.
NOS_37109
A Fiscalía do Tribunal Penal Internacional confirmou o inicio dunha investigación sobre os supostos abusos cometidos desde xuño de 2014, logo de cinco anos de pescudas preliminares
A Fiscalía do Tribunal Penal Internacional (TPI) anunciou onte a apertura dunha investigación polos supostos crimes cometidos nos Territorios Palestinos. A Autoridade Palestina (ANP) recorreu ao TPI para que determinase se Israel cometeu crimes de guerra. A Fiscalía xa considerara nunha primeira avaliación que había indicios para abrir unha investigación formal. Porén, non foi até o 5 de febreiro cando A Haia ─sen entrar a valorar as acusacións─ aclarou as dúbidas en materia de competencia. A Fiscalía, agora xa coas garantías sobre xurisdición do TPI, confirmou o inicio dunha investigación sobre os supostos abusos cometidos desde xuño de 2014, logo de cinco anos de pescudas preliminares. Faino prometendo que examinará o caso de forma "independente, imparcial e obxectiva", en aparente resposta ás dúbidas suscitadas en Israel e noutros países como os EUA. A fiscal Fatou Bensouda, que pediu colaboración a todas as partes, esgrimiu que, ao igual que no seu día desbotou examinar o asalto israelí ao barco Mavi Marmara da Flotilla da Liberdade en 2010, no caso presentado pola ANP suscítanse indicios "razoábeis" sobre situacións que si poderían ser valorados polo TPI. En teoría, no radio de acción dos investigadores tamén estarían as accións cometidas polas milicias palestinas, que poderían ser sinaladas canda a Israel. Reaccións A ANP celebrou a través dun comunicado o anuncio de Bensouda, por entender que avanza cara á rendición de contas, unha das premisas que considera indispensábel para lograr a paz na zona, segundo a axencia WAFA. Porén, para o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, toda esta investigación é "puro antisemitismo". "Decidiuse que os nosos valentes soldados que loitan contra os crueis terroristas son en realidade os terroristas", lamentou, segundo The Jerusalem Post.
NOS_33807
A Federación Galega do Comercio advirte que a retirada da paga estra aos e ás empregadas públicas auguran unha recta de final de ano "desesperada" para o sector
O consumo no comercio galego caeu no mes de setembro nun 11%, un descenso no que o impacto da entrada en vigor do novo IVE ten moito que ver, como indican desde a Federación Galega do Comercio. Unha queda que vén engadirse a un ano xa de por si difícil por mor do acentuamento da crise económica. O propio presidente da Federación, José María Seijas, recoñeceu que non agardaba unha caída "tran grande" do consumo, e que os efectos diso poden ser preocupantes, pois afecta a un amplo abano de sectores, desde o da alimentación até o dos produtos de regalo. Para alén disto, as espectativas para os vindeiros meses non son nada propicias debido a que no Nadal, época de vendas coa que compensar un ano moi malo, as previsións son funestas. A explicación disto radica, indica Seijas, na supresión da paga extra aos e ás empregadas públicas, que en boa parte ía destinada a gastar no comercio. Desde o comezo da crise pecharon en Galiza uns 17.000 comercios, un 25% do total, supondo, asemade, a perda duns 43.000 postos de traballo. Os datos foron proporcinadas por asociacións de comerciantes e pequenos empresarios.
NOS_32120
ERC gardou celosamente o segredo sobre o sentido do seu voto esta terza feira. EH Bildu, non. A formación soberanista vasca si avanzou en que dirección, a da abstención, irá o seu sufraxio. E iso "aínda que temos sobrados motivos para votar non", afirmou Mertxe Aizpurua, a portavoz da esquerda abertzale.
Aizpurua demandou na súa intervención que o Estado español permita a realización dunha consulta en Euskadi, tamén en Catalunya, sobre o futuro destas nacións, ao tempo que decretou o esgotamento da fórmula estatutaria. "Levamos 40 anos de incumprimentos [do Estatuto de Gernika] por parte de gobernos do PP e do PSOE", dixo a independentista vasca, quen lembrou que aínda faltan por transferir a Euskadi e Nafarroa 36 e 25 competencias, respectivamente. Sánchez negou a demanda da consulta e retrucou que segundo inquéritos oficiais máis do 80% da sociedade vasca está a favor do Estatuto de Gernika, carta de dereitos políticos que o candidato socialista ve como un denominador común entre nacionalistas e constitucionalistas. "Non apoiamos a reforma [do Estatuto de Gernika] que vostedes defenden, porque só se dirixe aos nacionalistas e céntrase fundamentalmente na cuestión da identidade", dixo.
PRAZA_10333
A situación repítese todos os veráns dende que o Goberno galego comezou a demandar a realización dun curso de 420 horas (cun custo de 1.400 euros), que reduce o atractivo dos contratos ofrecidos, de dous meses de duración). O pasado ano 49 persoas morreron afogadas
Entre o ano 2015 e o 2018 unhas 217 morreron afogadas en Galicia e entre xaneiro de maio deste ano producíronse outros 12 falecementos por esta causa nas nosas augas. Esta cifra sitúa un ano máis a Galicia como a comunidade autónoma con máis mortes por esta causa, xusto cando estamos ás portas do verán, a época do ano no que se producen máis sucesos deste tipo, sobre todo nas praias (nos últimos catro anos houbo 44 falecementos só no mes de xullo, o máis negativo).Dende o 2012 a Xunta obriga a pasar por un curso de 420 horas, unha esixencia que se converteu nun obstáculo insalvable para os e as aspirantesNeste comezo de xuño a maior parte dos concellos están completando os seus procesos de selección e contratación de socorristas e en case todas as localidades o servizo de salvamento nas praias botará a andar entre mediados de mes e, sobre todo, no 1 de xullo. Porén, todo apunta a que un ano máis moitas localidades non serán quen de cubrir todas as prazas que tiñan previstas e que serán moitos os areais (mesmo algúns que conseguira bandeira azul) que non contarán con socorristas.Cal é o problema? No ano 2012 a Xunta aprobou o decreto que fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos, un texto moi esixente que obriga a pasar por 420 horas de cursos para obter o título obrigatorio para traballar, mentres que noutras comunidades autónomas a formación requirida se reduce a unhas poucas horas. Independentemente de que a maior esixencia galega asegure un maior nivel de profesionalidade e eficacia nas persoas finalmente contratadas, a realidade é que se converteu nun obstáculo enorme para moitas das persoas que anteriormente optaban a estes postos.Os cursos teñen un prezo duns 1.400 euros, un gran desembolso para finalmente poder traballar dous ou tres mesesOs cursos teñen un prezo duns 1.400 euros, un gran desembolso para finalmente poder traballar un par de meses (tres, como moito, nalgúns concellos), con salarios que se moven ao redor dos 1.200 euros mensuais, 1.500 no mellor dos casos. Noutras comunidades, ademais de que os cursos son máis baratos (por incluír menos horas de formación), os veráns son máis longos, polo que os servizos de socorrismo en ocasións chegan aos seis meses de duración. Os socorristas galegos, moi ben formados e moi valorados, tenden a marchar a outras comunidades, onde poden traballar máis tempo e son mellor pagados. Á inversa, Galicia case non pode contratar socorristas de fóra, pois carecen da esixente acreditación galega.O pasado ano un gran número de concellos non foron quen de cubrir todas as prazas convocadasDe momento, en Ferrol tan só se presentaron 50 aspirantes para cubrir as 52 prazas de socorrista convocadas e fóra das cidades a situación é aínda peor. O pasado verán ningunha persoa se presentou ás probas en Corcubión, no Vicedo os 6 postos quedaron igualmente vacantes, en Ortigueira só se cubriu 1 das 12 prazas convocadas, en Porto do Son cubríronse 6 das 20 necesarias, en Ponteceso 7 de 12 e en Fisterra 2 de 6. Outros concellos, como Cedeira, Pontedeume, Ares, Burela, Viveiro, Foz, Carnota, Muros, Rianxo, Marín ou Bueu tampouco cubriron todas as prazas de socorrista que necesitaban.Noutros lugares, como Laxe, Nigrán ou Baiona, a falta de socorristas puxo en risco as bandeiras azuis que estes concellos conseguiran (este ano Nigrán renunciou a elas) e obrigounos a tentar atraer profesionais doutros países, incrementando os salarios ofrecidos.Nos últimos anos a Federación Española de Salvamento e Socorrismo amosouse moi crítica coa regulación realizada pola Xunta destes servizos, acusándoa de fixar unha normativa "estrita e errática" que limitaba en exceso o acceso destes profesionais ás prazas de socorrista, que en moitos lugares quedaban desertas. O Goberno galego modificou a súa propia norma hai dous anos "tras cinco anos de constatación do fracaso da súa implementación", reducindo agora as esixencias para ocupar estas prazas. Porén, dende a Federación alertan de que aínda se manteñen os efectos negativos produto destes anos de aplicación.A Federación Galega de Salvamento e Socorrismo reclama a flexibilización da norma, mellores condicións e contratos máis longosA Federación Galega de Salvamento e Socorrismo tamén leva anos reclamando cambios na regulación para mellorar o servizo que se dá nas praias galegas e igualmente mellorar as saídas profesionais e as condicións laborais dos e das socorristas. E alertan de que este verán se repetirán os problemas de anos anteriores; lembran, por exemplo que no rexistro profesional de socorristas acuáticos de Galicia (onde deben figurar todas as persoas que queiran traballar este verán) este ano hai 300 persoas menos que no 2018. A cifra total rolda as 5.000 persoas, un número que pode parecer moi elevado, pero dende a Federación advírtese de que unha parte moi importantes destes e destas socorristas non están realmente dispoñibles, ou non estarán interesados nuns contratos que non superan os dous ou tres meses.A realización de contratos de maior duración é unha das propostas que dende hai un tempo esta sobre a mesa, como unha forma de mellorar o servizo e, sobre todo, de facer máis atractivo o traballo para os e as posibles aspirantes. Dende a Federación, tamén se insta a modificar a lei para obrigar a que todas as praias estean obrigadas a contar con servizos de salvamento, unha obriga que agora só teñen os areais con bandeira azul ou con outras acreditacións.Tamén se insta a modificar a lei para obrigar a que todas as praias estean obrigadas a contar con servizos de salvamentoTamén se demanda flexibilizar aínda máis a aplicación da actual norma, sobre todo no que se refire ás 420 horas de cursos esixidas, que se se realizan en fins de semana obrigan a unha dedicación de varios meses. Xa hai dous anos a Xunta aceptou aplicar unha moratoria na esixencia da acreditación profesional e, de igual xeito, comezou a permitir a incorporación ao rexistro de titulados en Educación Física que realizasen un curso-ponte. A Federación tamén reclama que se valore máis o traballo que fan estes e estas socorristas, que cumpren unha función esencial para o salvamento de vidas e a seguridade en praias e piscinas, un traballo "duro", repiten, que non ten nada que ver "con pasar o verán tomando o sol".217 mortes en catro anosA importancia do traballo realizado polos e polas socorristas queda claro ao observar as estatísticas de afogamentos, que todos os anos colocan a Galicia nos primeiros lugares do Estado. O noso país conta con 1.500 quilómetros de costa e máis de 750 areais e un cento de bandeiras azuis.Case ningunha das mortes por afogamento se produciu en espazos que contaban cun servizo de salvamentoA estatística amosa tamén que case ningunha desas mortes se produciu en espazos que contaban cun servizo de salvamento. En 2017, de feito, houbo 0 falecementos nestes lugares, e no 2018 a porcentaxe foi só do 6%.A maior parte das persoas que morren afogadas son homes (o 81%) e cunha media de idade de 65 anos. O 35% dos falecidos superaba esa idade e outro 24% tiña entre 45 e 64 anos. Xullo é o mes máis mortífico, seguido de abril (posiblemente pola coincidencia coa Semana Santa), xuño e agosto.
PRAZA_9078
O mesmo día no que persoal médico denunciou ante a Fiscalía a morte de dous pacientes que agardaron a ser atendidos durante ben tempo nos corredores das Urxencias do Clínico o pasado 2 de xaneiro, novas imaxes amosan como doentes ateigan esas mesmas zonas
O mesmo día no que persoal médico denunciou ante a Fiscalía a morte de dous pacientes que agardaron a ser atendidos durante ben tempo nos corredores das Urxencias do Clínico o pasado 2 de xaneiro, novas imaxes amosan como doentes ateigan esas mesmas zonas.Nunhas imaxes difundidas por pacientes e usuarios, e gravadas neste venres 11 de xaneiro, compróbase como son varias as persoas que esperan nos corredores do servizo de Urxencias do Hospital Clínico a ser atendidos. Fátima Nercellas, delegada de persoal e doutora, explica que, ademais dos obvios problemas que esta situación supón para as persoas afectadas, a ocupación destas "vías de tránsito" necesarias para a evacuación de enfermos no caso dunha urxencia supón tamén o incumprimento da lexislación laboral. O comité de folga entrega máis de 10.000 sinaturas a Feijóo para que a Xunta atenda as súas demandas nas Urxencias do ClínicoAdemais, representantes do comité de folga do servizo de Urxencias do Clínico fixeron entrega na mañá deste venres de máis de 10.000 sinaturas en apoio ás súas demandas dirixidas ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Sanidade.No escrito presentado no rexistro explícanlle a Feijóo como se foi "deteriorando" nestes últimos anos Urxencias pola falta de "medidas necesarias para manter o servizo adecuadamente actualizado", a pesar dos constantes avisos e recomendación por parte dos traballadores "incumpríndose mesmo as directrices da Inspección de Traballo e mesmo as recomendacións do servizo de Medicina Preventiva do propio Complexo.
NOS_52797
A petición, avalada polos presidentes da Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, os reitores das 3 Universidades ou representantes da colectividade galega en Arxentina, insta Xunta e Estado a actuar.
O Centro Galego de Bos Aires, está en perigo de desaparecer. O futuro dunha "entidade emblemática da diáspora galega no mundo", está en cuestión. Un escenario perante o cal aparece un chamamento a Xunta e Estado a se implicar na defensa do centro reuniu perto de 3.000 sinaturas. "Demandamos actuacións concretas diante do Goberno Arxentino encamiñadas a solucionar definitivamente o gravísimo problema polo que atravesa a centenaria institución. Reclamamos, en primeiro lugar, vontade política para preservar e garantir a atención médica de calidade dos actuais socios e socias e a protección do patrimonio artístico, documental, bibliográfico, editorial... e solicitamos esforzos para consensuar unha solución que impida a demolición e a especulación inmobiliaria dun predio que debe seguir sendo referente de Galicia en Bos Aires". Entre os asinantes, Francisco López "Chesqui", Secretario Xeral do Partido Galeguista Víctor Freixanes, Presidente da Real Academia Galega Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega Juan Viaño Rey, Reitor da Universidade de Santiago de Compostela Salustiano Mato de la Iglesia, Reitor da Universidade de Vigo Julio Abal de Alonso, Reitor da Universidade da Coruña José María Vila Alén, Presidente do Centro Galicia de Bos Aires Diego A. Martínez Duro, Pte. da Federación de Asociaciones Gallegas da Rep. Arxentina Lorena Lores Doural, Sec. Xeral da Federación de Asociaciones Gallegas da Rep. Arxentina Carlos X. Rodríguez Brandeiro, Director do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires Beatriz Lagoa, Presidenta do Centro de Betanzos de Bos Aires Xesús Alonso Montero, ex Presidente da Real Academia Galega Xosé Luís Méndez Ferrín, ex Presidente da Real Academia Galega Manuel Rivas, Escritor Luís González Tosar, Escritor Suso de Toro, Escritor María Xosé Porteiro, Xornalista Justo Beramendi González, Presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego Francisco Domínguez Martínez, Director da Fundación Penzol Antonio Dieter Moure, ex Presidente da Confederación de Empresarios de Galicia Xesús Manuel Suárez García, Médico Mª Teresa Táboas Veleiro, Arquitecta Inma López Silva, Escritora Xosé Estévez Rodríguez, Historiador Xavier Vence Deza, Docente Olegario Sotelo Blanco, Editor F. Xabier González Sotelo, Escritor Afonso Vázquez Monxardín, Docente Xosé Ramón Pena, Escritor Acisclo Manzano, Escultor Lito Prado Rodríguez, Educador Social Xan Leira, Director de cinema
NOS_3464
Iria Veiga (Ferrol, 1981) é médica psiquiatra no Sergas e divulgadora científica. O interese pola ciencia vénlle de lonxe, pois da infancia lembra a serie 'Cosmos' e o libro 'O universo', de Isaac Asimov. Estas obras inspirárona para decantarse pola ciencia e a Medicina e para transmitir coñecementos complexos aos seus pacientes e ao público. Nos últimos anos, subliña, lográronse importantes avances na ciencia a prol da igualdade; mais, precisa, "mentres non haxa un reparto equitativo dos coidados, as mulleres nunca poderemos competir en igualdade de condicións".
—Hai moitos anos que vostede comezou a dedicar boa parte do seu tempo á divulgación da ciencia en galego. Primeiro cun blogue no 'blogomillo', logo no propio Sermos Galiza coa sección 'Po de estrelas'… Cando e por que decidiu comezar a divulgar coñecementos científicos a través das redes sociais? Todo empezou con ese blogue, que aínda segue activo, pero non está moi actualizado. Empezou como un blogue persoal no momento do boom do blogomillo e aí falaba de ciencia, máis tamén doutros moitos temas; había un pouco de todo. Pero dinme conta de que nese momento, no panorama do blogomillo e da prensa escrita en galego, non había nada como iso, e a min interesábame moito o tema. A unión daquelas cousas, a miña afección vencellada ao meu perfil profesional e tamén esa eiva que había de contidos semellantes foi o que me lanzou á divulgación. —Desde comezos de 2021 vostede é 'a metade' do programa Balea Vermella, que dirixe con Javier Balea. Cando tiveron a idea de crear este programa e, un ano despois de que botase a andar, como valora a repercusión que tivo e que está a ter? Xurdiu, como moitas outras ideas, do confinamento, da necesidade de facer cousas online. Javier e eu coñecémonos en 2017 en persoa, aínda que xa nos coñeciamos de antes, pola rede, e aí soubemos que queriamos facer algo xuntos. A primeira idea foi unha sección en vídeo, pero iso supuña que nos tiñamos que xuntar e no confinamento non era posíbel. Buscamos outras alternativas e apareceu a opción de Twitch. Pareceunos moi interesante e lanzámonos. Eu penso que está funcionando moi ben, estamos moi contentos pola acollida tanto por parte do público como das persoas convidadas. Nunca cansarei de dicilo: parécenme alucinantes as boas formas e a predisposición que ten todo o mundo para colaborar. Xente moi ocupada, de todo o continente, co que supoñen os cambios horarios… E aínda así todas están sempre dispostas a colaborar. Estou encantada e moi agradecida. —Cal é a orixe do seu alcume, 'Raíña Vermella'? Vén da época do meu blogue e fai referencia á novela de Lewis Carroll Alicia a través do espello, que é a continuación de Alicia no país das marabillas. A raíña vermella, que non se debe confundir coa de corazóns, é a personaxe que explica a Alicia como son as regras dese outro mundo que hai do outro lado do espello. Collino porque o que eu fago non deixa de ser, en certo modo, explicar de forma sinxela como funciona o mundo. —Quen diría que son as súas referencias nos diferentes ámbitos que abrangue a súa traxectoria profesional (quer na divulgación científica quer no ámbito da saúde mental)? Eu diría que comecei a facer divulgación antes de coñecer a propia palabra, desde que era moi pequena. Lembro a serie Cosmos, lembro O Universo, de Isaac Asimov… Asimov é foi un dos grandes referentes que tiven na divulgación científica, non se pode apuntar máis alto! Sabía que quería dedicarme a algo relacionado coa ciencia. Non podo dicir referentes no eido da Psiquiatría porque é menos frecuente neste ámbito, pero tamén é certo que cando decidín que quería tirar polas ciencias e fixen Medicina e Psiquiatría foi porque non quería perder o contacto coas persoas. Quería dedicarme a unha disciplina científica, pero o que máis me interesaba era esa ciencia aplicada e poder axudar de forma inmediata ás persoas. Eu non son investigadora, son técnica, e intento transmitir eses coñecementos facéndoos comprensíbeis na consulta. Esa parte máis técnica e o trato coas persoas son a combinación perfecta para a divulgación. —Cando vostede atende un paciente na consulta, ou cando realiza un contido divulgativo, como consegue que eses coñecementos que resultan complexos para moitos de nós sexan máis comprensíbeis? Non hai un coñecemento máis ou menos complexo, senón certos niveis de comprensión. Hai temas nos que profundamos perfectamente e outros dos que temos un coñecemento de 'nivel usuario', por dicilo dalgún modo. Toda mensaxe pode adaptarse á capacidade de comprensión da persoa receptora. O truco é intentar transmitir unha información relativamente complexa cun vocabulario simple e dirixido especificamente ao público para o que falas. Eu non falo igual a pacientes na consulta que a residentes, compañeiros, amizades… Tes que facer unha apreciación do nivel de comprensión e conseguir adaptar o teu discurso a ese nivel. —Nos medios de comunicación semella haber unha maior presenza de homes que de mulleres cando se tratan cuestións de ciencia. Porén, na Galiza temos grandísimas profesionais e comunicadoras; cre que os medios dan pouca visibilidade ás mulleres científicas? Creo que iso está a cambiar, pero aínda queda moito por percorrer. En Balea temos o compromiso firme de visibilizar figuras femininas, e en ningún momento tivemos problemas para atopar mulleres. De feito creo, pola nosa experiencia, que ás veces é máis difícil atopar un home. Falta visibilidade, pero si que avanzamos nos últimos anos. Hai veces nas que as propias mulleres somos menos dadas a mostrarnos en público. Precisamos, e en Balea facémolo, un ambiente facilitador. —Ten máis dificultades unha muller que un home á hora de desenvolver unha carreira profesional no ámbito da ciencia? Agora a situación empeza a mellorar. Estase a tramitar a nova Lei de ciencia e o Parlamento acaba de aprobar a Lei Ángeles Alvariño, pero aínda vemos normativas que até o de agora non recoñecían dereitos básicos como a baixa maternal. Co sistema de avaliación que había, saía prexudicada a muller que collese unha baixa maternal. Iso é unha mostra de que aínda en 2022 temos que avanzar moito en materia de igualdade. E, por outra parte, aínda que non sexa unha discriminación directa, a muller asume case 100% dos traballos de coidados e hai un claro prexuízo. Conforme avanza a carreira investigadora, vai diminuíndo a presenza de mulleres Existen datos que demostran que conforme avanza a carreira investigadora, vai diminuíndo a presenza de mulleres. As estatísticas están aí. A muller asume practicamente a totalidade dos coidados de menores e de persoas dependentes. Non sei que solución ten porque non me dedico á política, mais depende dun cambio de actitude por parte dos homes, e paréceme difícil que haxa un cambio espontáneo, pois suporía renunciar a privilexios. Está claro que mentres non haxa un reparto equitativo dos coidados, as mulleres nunca poderemos competir en igualdade de condicións. —Na última década emigraron máis de 80.000 mozos e mozas menores de 29 anos pola falta de oportunidades. Algunha vez valorou a posibilidade de facer a maleta e marchar do país? Eu, por sorte, puiden quedar aquí. Si pensei en marchar ao rematar a residencia, pero foi en plena crise económica e había os mesmos problemas en todas as partes, así que tiven opcións de quedar e fíxeno. A min saíume ben, pero moita xente da miña xeración tivo que marchar porque non atopaba traballo na súa rama. Fun unha privilexiada por pura sorte, por carambola, pero diría que son a excepción que confirma a regra, sobre todo se falamos da ciencia na década dos 2000. —Cre que os Gobernos galego e estatal realizan un investimento axeitado en investigación científica e sanidade ou, pola contra, considera que deberían incrementar o investimento? Por unha cuestión de xustiza, debería haber un maior investimento. Coa pandemia da Covid a ciencia revelouse como necesaria, e de forma inminente. Xa non se trataba dun investimento a longo prazo, senón de salvar vidas. Precisamos dunha aposta decidida na sanidade. Quérennos vender o caramelo de que medra o investimento, pero a degradación da sanidade é evidente e palpábel a todos os niveis. Desde logo, non é suficiente para reverter esta situación. —E que opina do investimento actual en materia de saúde mental? Comparte vostede as críticas de que esta rama é a 'irmá pobre' do sistema sanitario? Cando se estabelece unha prioridade, a última na lista sempre é a saúde mental; a pesar de ser das enfermidades mais prevalentes, xa que a depresión é unha das doenzas máis diagnosticadas do mundo. Unha de cada tres persoas terá un problema de saúde mental ao longo da súa vida e, aínda así, é sempre a última. Pero este non é un problema de agora porque estean a aumentar as doenzas de saúde mental, senón que arrastramos un déficit desde hai moitos anos. Á merma de efectivos engadiuse a pandemia, xa que non se incrementaron os recursos, mentres si medrou a demanda. Reverter esta situación requirirá dunha aposta moi decidida das administracións que eu hoxe, polo momento, non estou vendo. —Desde a irrupción da Covid-19 comezouse a falar dunha segunda pandemia, "silenciosa", en alusión á repunta que se produciu en diagnoses de enfermidades de saúde mental. De feito, a Galiza é líder no Estado en prescrición de psicofármacos. Que secuelas deixará (e xa está a deixar) esta crise sanitaria? Creo que hai dúas cuestións que están relacionadas pero son diferentes. O consumo de psicofármacos xa ía en aumento antes da pandemia, eu creo que fundamentalmente pola falta de profesionais de Psicoloxía. No Estado español temos menos psicólogos e psicólogas que en calquera Estado da Unión Europea, polo que é evidente que abordamos os problemas desde unha óptica farmacolóxica; non hai outra opción que poidamos recomendar. Estamos abordando con fármacos problemas que deberían ser abordados desde o punto de vista terapéutico Hoxe se alguén precisa atención psicolóxica de boa calidade non lle queda máis remedio que pagar, porque os profesionais na sanidade pública son escasos e pode haber un atraso de até seis meses entre a primeira e a segunda consulta. Eses tempos non son razoábeis para a psicoterapia. Aquí temos moi bos profesionais, moi cualificados e ben formados na sanidade pública, pero contamos cunhas listas de espera inasumíbeis e que fan que a terapia non sexa eficaz. A única terapia que podes ter é de pago e, por tanto, as persoas con menor capacidade económica terán que acudir aos psicofármacos. Problemas que deberían ser abordados desde o punto de vista terapéutico estámolos abordando desde o punto de vista farmacolóxico porque non temos profesionais suficientes, e isto xa pasaba antes da pandemia. Logo agravouse a situación, pero era mala desde moito antes. Sobre as secuelas, penso que o efecto do confinamento non é tan grande. Foi unha situación excepcional e para moitas persoas mesmo cómoda, tiñamos formas de comunicarnos… Para outras non, claro. Mais non é tanto iso como as consecuencias económicas da pandemia. Xente que perdeu traballo, estivo nun ERTE, fechou o negocio e agora volveuno abrir pero as cousas non van como antes… Esas consecuencias económicas non se reverten cando acaba o confinamento, e estámolas vendo agora. —Alén do período mesmo do confinamento domiciliario na primavera de 2020, logo viñeron dous anos de restricións, de máscara obrigatoria, de distanciamento social… As persoas adultas poden asumilo, mais… unha crianza? E unha persoa maior que se vexa privada de estar coa súa familia? Non podo falar moito dos nenos porque eu paso consulta desde os 16 anos, eu falo de adolescentes e creo que ese grupo idade foi especialmente prexudicado, non só no confinamento estrito senón logo coas restricións. Son idades nas que o contacto co 'grupo de pares', de xente da mesma idade, é esencial, e un confinamento tan longo... Ademais, eles foron os últimos en saír, e cando despois volveron ás aulas seguiron sen poder manter contactos noutros ámbitos como o lecer. Isto está detrás, moi posibelmente, de moitos dos problemas de saúde mental que vemos hoxe. Depresión, ansiedade, autolesións... E todo isto sumado aos problemas das persoas adultas, porque aínda que ás veces pensemos que os rapaces non se decatan, se nunha casa hai un problema económico é evidente que a eles tamén lles afecta. Que haxa problemas ou mal ambiente na casa repercute tamén na súa saúde mental. Todas estas cuestións son un problema deste treito de idade concreto, onde vemos un aumento de casos de autolesións ou tentativa de suicidio, e é algo que me preocupa moito. E no relativo ás persoas maiores, sobre todo, vemos o medo. Moita xente abandonou toda a actividade social e de lecer que tiña e que, por desgraza, é posíbel que non a vaia recuperar nunca. —Como valora a cobertura e o tratamento mediático dos medios de comunicación cando abordan cuestións vencelladas á saúde mental? Desde que me dedico á divulgación, que quizais estou máis pendente do que se fai nos medios, vexo un cambio positivo indubidábel. Nos últimos anos empézase a falar máis de saúde mental e penso que o cambio é moi positivo: tómase máis en serio, inténtase informar con maior rigor… Fálase máis e mellor. Iso en canto á información que se publica concretamente sobre saúde mental, porque o que si boto en falta é un mellor tratamento noutros ámbitos. Por exemplo, cando se cubre unha noticia de Sucesos na que alguén ten un problema de saúde mental. Poucas veces os delitos violentos son cometidos por persoas con problemas de saúde mental, adoitan cometelos quen non teñen ningún. E outra cousa que facemos mal en xeral é, cando son noticias relacionadas coa violencia de xénero, atribuír ao maltratador problemas de saúde mental, e con isto volvemos ao de antes, que estatisticamente non é así. A maioría dos maltratadores non teñen ningún problema de saúde mental. Sinalar nestes casos concretos que tiñan unha determinada diagnose é, para min, como se destacas que o maltratador tiña diabetes. —Sermos Galiza fai dez anos e, nestas mesmas páxinas, suma 500 números na rúa. Que opinión lle merecen medios de comunicación como Nós Diario, que utiliza integramente a lingua galega? Paréceme fundamental que usemos a nosa lingua, son moi importantes os medios que dan cabida a este tipo de temas [relacionados coa sanidade e a ciencia] como pode ser Nós Diario. Sempre digo que non hai unha lingua para falar de ciencia; calquera lingua vale. O mesmo sucede cos medios, e creo que os medios en galego son non só unha ferramenta de normalización, senón que, dalgunha maneira, tamén son unha ferramenta para vehicular ese tipo de temas máis específicos na lingua propia, e iso xa é algo moi importante.
NOS_34029
A xuíza exonera o ex secretario xeral do PSdeG e os outros catro edís do Carballiño que foron acusados de ter "enchufado" persoas.
O ex secretario xeral do PSdeG e exalcalde do Carballiño, Pachi Vázquez, foi absolto do delito de prevaricación pola contratación de 60 persoas que lle imputaba o Ministerio Fiscal e polo que foi xulgado a finais do 2020 en Ourense. O xulgado do Penal 2 exonerouno xunto os outros catro edís que traballaban no Concello de Carballiño entre os anos 1995 e 2011. Nunha sentenza contra a que cabe recurso de apelación, que se presentaría ante a Audiencia de Ourense, a maxistrada considera que non hai probas de que se vulnerasen os principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade nestas contratacións, ao contrario do que sostiña a fiscal que pedía dez anos de inhabilitación para Vázquez -actualmente en activo en Espazo Común-. "Nin puidemos concluír que na contratación dos traballadores se prescindise totalmente dun procedemento de selección que tentase respectar os principios de publicidade, mérito, igualdade e capacidade, nin tampouco que os acusados actuasen con conciencia de arbitrariedade nas resolucións que chegaron a ditar no exercicio dos seus cargos", sinala a sentenza. Expón ademais que o delito de prevaricación "tampouco" pode apreciarse "en relación coas prórrogas ou á declaración de indefinición". Así, insiste en que non se puido probar que os acusados, nos seus respectivos cargos no Concello de Carballiño, "ditasen resolucións arbitrarias e con coñecemento da súa ilegalidade". Pachi Vázquez foi absolto dos cargos xunto con Carlos Montes -que sucedeu Vázquez na alcaldía municipal-, María Elisa Domínguez -edil de asuntos sociais e alcaldesa en funcións durante dous meses-, Alfonso Prado e José Antonio Barge -ambos os ex edís de persoal-.
NOS_42393
A Casa Museo Casares Quiroga na Coruña acolle esta quinta feira a presentación do libro de Anxo Ferreiro sobre a represión franquista contra a igrexa vasca.
Unha 'cruzada' bendita pola Igrexa católica como foi o alzamento fascista de 1936 tamén fusilou a curas, encerrou a cregos e expulsou ao exilio a outros centos deles. O mesmo Franco e xerifaltes fascistas que desfilaban baixo 'palio' como protectores do cristianismo estendían o terror contra aqueles e aquelas relixiosas que non comulgaban co fascismo español, nomeadamente en Euskal Herria. O libro está prologado por Martín Orbe e Xabier Amuriza, dous dos curas vascos que estiveron presos na cárcere de Zamora nos anos finais do franquismo. Un investigador galego, Anxo Ferreiro Currás (Vilalba, 1935) publicou o libro 'Consejos de guerra contra el clero vasco. 1936-1944. La iglesia vasca vencida'. Unha obra que, editada por Intxorta 1937 Kultur Elkartea, vai ser presentado agora na Coruña. A cita é na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña nun acto organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica. A compromiso dunha parte significativa da igrexa vasca co euskera e cos dereitos de Euskadi como nación está na explicación en boa parte da represión que sofreu por parte do franquismo. Nos primeiros meses do 'Alzamento' as tropas fraqnuistas asasinaron a 17 sacerdotes nas Dioceses de Gasteiz e Iruña. Os cadáveres dalgúns seguen aínda ser aparecer. Ademais, por volta de 200 cregos vascos foron procesados e xulgados en Consellos de Guerra. Moitos outros membros do clero casco, calcúlase que cerca do millar, tiveron que marchar a un longo exilio en distintos países de Europa e América para fuxir da represión. Pero ademais do sufrimento que padeceron na cadea e no exilio, tamén tiveron que sufrir o desterro a outras dioceses do Estado Español despois de cumprir as condenas e incluso naqueles casos en que foron absoltos nos Consellos de Guerra. E eses desterros non foron obra dos tribunais militares e civís, senón da propia xerarquía eclesiástica, que os someteu sistematicamente ao abandono, ao desprezo e á calumnia mentres estiveron na cadea, no exilio ou no desterro. O autor Anxo Ferreiro Currás naceu en agosto de 1935 en Vilalba (Lugo). Realizou estudos eclesiásticos no Seminario de Mondoñedo. Foi ordenado sacerdote en 1960. Tralos sucesos de marzo de 1972 en Ferrol, sufriu prisión como consecuencia do seu compromiso coa loita polas liberdades, polos dereitos humanos e polos dereitos dos traballadores. Ao ano seguinte foi sometido a un xuízo ante o Tribunal de Orden Público (TOP). Formou parte do Consello editor da Redacción da revista Encrucillada, e participou na fundación da publicación Boa Nova, así como da Asociación Irimia
NOS_55970
O 31% do seu cadro de persoal
Repsol propón un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) "por causas produtivas" para un máximo de 212 persoas na refinería da Coruña, o que supón o 31% do cadro de persoal, segundo informa nun comunicado no que precisa que a medida terá unha duración máxima prevista de seis meses. Sobre as razóns, sostén que a crise derivada da pandemia xerada pola Covid-19 "provocou unha contracción do consumo de petróleo inédita, coa maior caída da demanda global da historia, tanto de hidrocarburos como dalgúns dos seus produtos derivados, como o coque". "Trátase dunha situación sostida no tempo que mantén uns consumos de combustíbeis para a mobilidade moi inferiores aos esperados". A esta situación conxuntural, afirma que se engade outra estrutural, "que consiste na incerteza xerada pola transición enerxética, que vai esixir importantes proxectos e investimentos nos próximos anos para que a refinaría alcance os obxectivos de transformación e descarbonización contemplados por Repsol". Desde a Sección Sindical da CIG informan nun comunicado que rexeitan " de pleno a necesidade que nos traslada a empresa de aplicación deste ERTE. O mantemento dos nosos postos de traballo é o alicerce fundamental no que se sustenta a supervivencia da nosa Refinería e é por esta razón pola que queremos deixar claro que na Refinería da Coruña non sobra ninguén". Desde CCOO indican que non se entende a medida contra un persoal que nun ano pasou de ser "esencial" a "prescindíbel".
NOS_51480
A xeometría abstracta de Vítor Mejuto móstrase por vez primeira en Nova York. O artista inaugura a súa exposición "O silabario perdido" esta sexta feira, 7 de xuño, na galería Schema Projects.
O "silabario" xeométrico de Vítor Mejuto poderase ver a partir do 7 de xuño nas paredes da galería neoiorquina Schema Projects. A obra recente do artista viaxa á capital da arte norteamericana por vez primeira, despois de ter sido protagonista dunha exposición na Casa da Parra de Compostela. Parte o pintor do concepto de silabario, os caracteres que representan sílabas e con esas formas reducidas elabora as súas creacións con liñas de lapis e campos de cor. A abstración xeométrica que o emparenta co construtivismo ruso, o minimalismo ou as escolas europeas da Bauthaus e De Stijil e aproximan a súa aposta creativa ao deseño, son os sinais de identidade da proposta que o artista Vítor Mejuto leva por vez primeira en solitario a Nova York. Xogos xeométricos que confrontan liñas e cores botando man das imaxes e formas que representan a linguaxe falada e oral. Fotógrafo e artista plástico, Vítor Mejuto introdúcese na tradición da xeometría artística de maneira case pulsional, como escribe ao se referir á obra de Luís Caruncho, a quen considera mestre. "É unha obra serena e queda, sen alardes innecesarios. O pintor non necesita estar abrumadoramente presente para ser contundente. O rastro humano esvaécese e no seu lugar hai unha pátina satinada e primorosamente precisa na cor. Cambiou o pincel polo bisturí. Moita xente cre que esta pintura é fría. A min ponme os pelos de punta", escribe Mejuto con palabras que se poderían dedicar, en boa medida, a súa propia obra. Cores e formas A exposición, que estará aberta até o 7 xullo, mostra súa particular caligrafía persoal, construída por medio do cálculo preciso e despois dun proceso de investigación en cores e formas, elementos cos que elabora unha obra na que o debuxo, preciso, e a cor, compoñen un resultado que o define cunha liña propia na arte contemporánea galega. "O discurso é a ausencia de discurso, as formas e a cor poden coa obra" , explica Vítor Mejuto arredor da súa última produción. O crítico e investigador David Barro, comisario da súa última exposición, afirmou entón nunha entrevista que Vítor Mejuto "consegue facer propia a pintura, destila referentes anteriores para xerar unha pintura non peiteada, non aséptica, que ole a humanidade e deixa o rasto do pincel, do artista. Un artista que proxecta paixón polo medio".
NOS_45469
A Xunta presentou a constitución de Next Generation Galicia, a comisión encargada da estratexia do Goberno galego no reparto de fondos europeos e anunciouse que mañá se enviarán as primeiras iniciativas ao Estado. A oposición lamenta que Feixoo non conte co Parlamento nin coas entidades sociais para elaborar os proxectos.
A Xunta remitirá esta quinta feira, 15 de outubro, ao Goberno estatal os seus proxectos cos que procurará que a Galiza opte ao reparto dos aproximadamente 140.000 millóns de euros do fondo de recuperación da Unión Europea que España recibirá. Na terza feira, 13 de outubro, tivo lugar na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, a reunión constitutiva da comisión Next Generation Galicia (Nova Xeración Galiza), o órgano encargado pola Xunta de supervisar a súa estratexia para precisamente optar aos fondos europeos. O acto contou co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e as conselleiras e conselleiros. O vicepresidente segundo e titular de Economía, Francisco Conde, subliñou que con estes proxectos o que se procura é "a recuperación da crise e do emprego", a través dunha "transformación económica e social". Após recibir os proxectos das comunidades autónomas, o Estado deberá presentar o Plan de recuperación e resiliencia, que será avaliado pola Comisión Europea en decembro. Posteriormente, a Comisión Europea aprobará en xaneiro de 2021 o regulamento para a posta en marcha dos fondos de recuperación. Será a partir de abril de 2021 cando se poderán comezar a desenvolver. Sete proxectos As iniciativas da Xunta que se incluirán no borrador que o Estado levará á UE comprenden catro proxectos tractores: unha planta de hidróxeno, un centro para o impulso da economía circular, a fabricación de fibras téxtiles a partir de madeira e a instalación de nova potencia renovábel. A isto súmanse tres iniciativas centradas en cadeas loxísticas sostíbeis para o transporte, un centro de innovación en tecnoloxías renovábeis de hidróxeno e un laboratorio dixital. O BNG denuncia a falta de diálogo da Xunta da Galiza A deputada do BNG e portavoz de facenda e política enerxética da formación, Noa Presas, criticou en conversa con Nós Diario a "falta de diálogo" do Goberno galego no que ten a ver coas forzas políticas, porque a semana pasada no pleno do Parlamento os populares rexeitaron unha proposta do Bloque para debater e fraguar un acordo de país a respecto dos fondos europeos. Mais a nacionalista tamén lamenta a falta de diálogo no social. "É incomprensíbel que a Xunta non fale con entidades como sindicatos, universidades ou grupos de investigación para facer os proxectos, e que unicamente se reúna con algunhas empresas", di Presas. "Non coñecemos que contías virán á Galiza nin que criterios aprobará o Estado, polo que ter unha posición de país sería positivo para determinar que precisa a Galiza". "Ao Parlamento non se remitiu nada sobre os proxectos, só sabemos deles polos titulares", lamenta Presas, que ve no acto liderado por Feixoo "unha estratexia propagandística para ocultar que a cuarta feira pasada, cando Pedro Sánchez presentou a súa liña de traballo, a Xunta non tiña ningún proxecto, a diferenza, por exemplo, de Euskadi". O PSdeG critica a opacidade da Xunta "Estase xogando na opacidade absoluta, non se sabe de que tratan eses proxectos", sinala a Nós Diario o viceportavoz parlamentar do PSdeG, Pablo Arangüena. O socialista denuncia que, alén dos títulos dos proxectos, a Xunta non deu a coñecer "nada sobre os contidos" dos mesmos. Arangüena comenta que son moi poucos proxectos, polo que "todo apunta a que se tratarán de megaproxectos, o cal non parece o máis intelixente para unha estratexia de optimizar a captación de recursos europeos, probabelmente sería mais intelixente facer propostas pequenas e diversificadas, así se un non capta fondos aseguras que haxa outro que si reúna as características adecuadas".O socialista tamén ve opacidade na escolla dos proxectos, "non sabemos nin quen os seleccionou nin que criterios se usaron. Vese improvisación e política de escaparate", conclúe.
NOS_48980
Unha das novidades máis importantes nas conclusións da subcomisión do Congreso é que se abre a porta á dispensación do cánnabis medicinal en farmacias comunitarias.
O Congreso deu esta terza feira o seu visto e prace á regulación do cánnabis medicinal con fins terapéuticos cos votos a favor de PSOE, Unidas Podemos, Ciudadanos, PNV e PDeCAT, a abstención de ERC e Bildu, e o voto en contra de PP e Vox. O BNG non votou xa que non fai parte da subcomisión en que se debateu este tema. Unha das novidades máis importantes nas conclusións da subcomisión é que se abre a porta á dispensación do cánnabis medicinal en farmacias comunitarias. O Congreso pon fin ao voto rogado O texto final estabelece que a distribución será con fórmulas maxistrais con extractos ou preparados estandarizados de cánnabis, que deberían entregarse "a partir da rede de farmacias do sistema de saúde, con preferencia nas farmacias hospitalarias e explorando a alternativa das farmacias comunitarias que poidan reunir os requisitos". "Dispor de extractos ou preparados estandarizados de cánnabis como os que están dispoñíbeis noutros países europeos, podería permitir dar resposta a estas necesidades. A existencia de preparados estandarizados, cunha composición definida, supón unha vantaxe en termos de, estabilidade e manexo", argumenta a subcomisión. En canto ás patoloxías para as que cren que debería estar indicado o cánnabis terapéutico, inclúese a dor oncolóxica e a endometriose, que non estaban previstas no informe de conclusións inicial do PSOE. A "epidemia oculta" da endometriose xunta oito anos de atraso no diagnóstico Así mesmo, a subcomisión puntualiza que se podería ampliar a outras indicacións terapéuticas "cando os estudos acheguen indicios consistentes". "A evidencia científica dispoñíbel é limitada en relación cos usos terapéuticos do cánnabis e dos seus produtos, e está restrinxida a algúns diagnósticos. A investigación achegará luz para poder dilucidar moitos aspectos no futuro", detallan. Ao fío, a subcomisión tamén lembra a necesidade de que "se xere máis investigación de calidade neste campo, e que a información xerada nesta investigación sexa a base na toma de decisións". A súa prescrición A prescrición deberíase realizar "exclusivamente" por profesionais sanitarios "nun contexto libre de potenciais conflitos de interese, como o que ofrecen os servizos sanitarios", máis concretamente por médicos especialistas. Para iso, piden que se promova a formación no uso terapéutico do cánnabis entre os profesionais da medicina. A subcomisión tamén aconsellou a posta en marcha dun rexistro centralizado dos pacientes aos que se prescriben e dispensan fórmulas maxistrais con extractos ou preparados estandarizados de cánnabis a partir dos rexistros de cada servizo autonómico de saúde.
NOS_21756
As enquisas abren a porta a unha vitoria progresista nas urnas.
Francia dá comezo mañá a unha semana electoral na que case 49 millóns de votantes determinarán como se repartirán os 577 asentos da Asemblea Nacional durante os vindeiros cinco anos, en paralelo ao período presidencial de Emmanuel Macron, reelixido para un segundo mandato a finais de abril. Non obstante, a pesar de que as sondaxes efectuadas despois deses comicios daban unha cómoda maioría absoluta para Macron, as enquisas desenvoltas durante a campaña dificultan cada vez máis ese escenario, ao tempo que auguran posibilidades reais de triunfo para Jean-Luc Mélenchon e a súa aposta por unha coalición coa maioría de forzas progresistas. A oposición francesa busca coalicións para vencer Macron nas parlamentarias O traballo demoscópico máis recente correu a cargo de Ifop-Fiducial, que revelou esta sexta feita un empate técnico en intención de voto entre a Nova Unión Popular Ecolóxica e Social (NUPES) de Mélenchon (26,5%) e Xuntos (26%), a alianza do presidente. Trasladado a escanos, a enquisa estima que NUPES obterá entre 180 e 210 mentres que Xuntos alcanzará de 270 a 305, cando a maioría absoluta está marcada en 289. Pola súa parte, a agrupación conservadora liderada polos Republicanos faríase con entre 40 e 55 asentos, na extrema dereita, o Reagrupamento Nacional de Marine Le Pen ficaría con 15-35, e Reconquista de Éric Zemmour con 0-2. Nacións sen Estado Ademais, o resto de candidaturas gañaría de 8 a 14 asentos. Entre elas, están as das forzas das nacións sen Estado. En Iparralde, o Partido Nacionalista Vasco non presenta candidatura por primeira vez en dúas décadas, si participa a coalición EH Bai (Abertzaleen Batasuna, Sortu e Eusko Alkartasuna). Ao tempo, na Catalunya Nord, Agissons e Oui au Pays Catalan uníronse baixo o paraugas de El País Català ets tu!, con candidatura nos catro distritos. En Córsega, os nacionalistas tratarán de manter os tres escanos das anteriores eleccións, mais nesta ocasión irán por separado. No caso de Bretaña, hai en liza candidaturas da Unión Democrática Bretoa e o Partido Bretón. O sistema de elección de lexisladores xera unha gran variabilidade no repartimento de escanos. Na primeira volta do domingo só serán escollidas as persoas que obteñan a maioría absoluta de votos válidos, que representen polo menos 25% dos votantes rexistrados no distrito electoral. Cada un deles elixe só un lexislador. Se non hai candidatos con ese nivel de votos, pasan a unha segunda volta que decorrerá no domingo da semana que vén, 19 de xuño, na que se enfrontarán todas as candidaturas que reciban como mínimo 12,5% de apoio. Diante dun panorama político aínda aberto, Mélenchon procura rascar todos os votos posíbeis dunha abstención que pode ser histórica, apuntan medios locais, reiterando o obxectivo que xa enunciara antes da segunda volta das eleccións presidenciais, converterse en primeiro ministro e no contrapeso ás políticas aplicadas por Macron. Fronte de esquerdas: os Verdes únense a Mélenchon coa incógnita de PS e PCF Con todo, isto tamén consolidaría a NUPES como a principal vía, a corto e medio prazo cando menos, da esquerda francesa para alcanzar o Pazo do Elisio, tras o histórico pacto que integrou a Francia Insubmisa, os Verdes, o Partido Comunista e o Partido Socialista. Que precisa a esquerda para pór o primeiro ministro? A Constitución francesa determina que é o presidente o que propón o primeiro ministro. Así e todo, este nomeamento debe ser ratificado pola Asamblea Nacional, polo que no caso de obter a maioría absoluta a coalición NUPES podería forzar co seu voto a elección de Mélenchon, unxido no acordo progresista como o seu candidato. Tamén cunha maioría simple poderían conseguilo, mais Macron tería máis ferramentas para frealo.
NOS_42400
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia emitiu un comunicado en que considera "pertinentes" as protestas do persoal da CRTVG contra a manipulación informativa. Fíxoo esta sexta feira, e coincidiu co décimo segundo #VenresNegro consecutivo na compañía pública.
"O Colexio valora o compromiso dos profesionais da CRTVG co dereito á información da cidadanía", e defende as súas accións reivindicativas: "Reclamar o cumprimento da lei e defender os principios do servizo público nonj só constitúe un dereito dos e das traballadores da CRTVG senón unha obriga como empregados públicos e como informadoras". O órgano colexiado tamén critica "con toda contundencia calquera intento de coartar as lexítimas críticas das profesionais da información". A dirección da CRTVG abriu un expediente á presentadora Tati Moyano por amosar en público as súas discrepancias coa situación actual dos medios públicos durante unha gala benéfica. "Exercer o dereito á discrepancia por compromiso coas obrigas profesionais non pode ser castigado nin supoñer unha condena ao ostracismo", afirma o Colexio de Xornalistas. Mentres, os #VenresNegros continúan. Nesta xornada semanal de protestas, as traballadores e traballadoras da Compañía de Radio Televisión Galega visten de negro en rexeitamento ao control e manipulación informativa exercido por unha dirección ao servizo do Goberno de Alberto Núñez Feixóo e o PP.
NOS_27988
A tarde do 20 de xullo de 1936, militares do Polígono de Tiro Naval ao mando de Pedro Nieto Antúnez, apoiados polo Director Francisco Bastarreche e acompañados por falanxistas con brazaletes coas cores da bandeira da república española, tomaban o Concello de Marín. Culminaba un complot organizado varias semanas antes por oficiais da armada, conserveiros, armadores e a pequena burguesía local, ao que lle seguiría unha represión na que xogaron un papel importante institucións ligadas á catolicismo. Por primeira vez publícase unha foto do nazi Bruno Schweiger, un dos principais responsábeis da represión na comarca.
A formación das milicias Á mañá, o Comité de Defensa da República de Marín declarou a folga revolucionaria, que duraría até o día 29. Durante ese tempo producíronse un feixe de detencións por parte das autoridades sublevadas, o que provocou a fuxida dun bo número de persoas ligadas á Fronte Popular e outras organizacións anarquistas e republicanas. Ese día os falanxistas detiveron ao mariñeiro Daniel Pereira Figueroa, asasinándoo no calabouzo do Concello tras unha forte malleira. O seu corpo nunca apareceu, a súa morte foi rexistrada en 1939 cun: "desaparecido do seu domicilio con motivo do Glorioso Movemento Nacional". Os sublevados organizáronse para controlar e tomar a xustiza da súa man constituíndo a Milicia Cívica. Inicialmente formada por mariños de guerra e elementos civís de Acción Popular (AP), Xuventude de Acción Popular (XAP) e da Falanxe Española (FE). Ao mando quedou o Alférez de Navío Francisco Núñez de Olañeta, nomeados Sarxentos: Juan Leste Cisneros (orfo dun oficial da Armada) e Alfonso Temes Diéguez (FE) e como Cabos: José Teijeira Fernández (Presidente de AP), Ignacio Touza Omil (Maquinista da Armada retirado) e Jesús Novás Palacios (militante da CEDA). Por primeira vez publícase unha foto do nazi Bruno Schweiger, un dos principais responsábeis da represión na comarca. En xullo de 1936 a Falanxe estaba constituída por unha pequena agrupación de apenas unha ducia de afiliados liderada por Francisco Alfonso López e semanas despois polo industrial militarizado Sebastián González Pérez. Ademais, sobresae unha figura nefasta, o enxeñeiro nazi Bruno Schweiger, natural de Múnic (Alemaña). Bruno chegou a Marín en 1935 para construír, xunto co seu irmán, un pequeno peirao de formigón en Cantodarea. Non sabemos cantas mortes pasaron exactamente polas súas mans, atribuíndoselle en Marín, cando menos, as de José García Bustos, Raimundo Rodríguez Neira e Carmen Pesqueira Domínguez. A súa pegada deixouse ver tamén noutros puntos do Morrazo, sobre todo en Moaña. Se queres seguir lendo este capítulo do coleccionábel 'Os nomes do terror' vai á túa libraría ou quiosque de confianza a buscar o Nós Diario de hoxe. Tamén o podes conseguir a través da nosa loxa online. Se aínda non es subscritora ou subscritor, que estás a agardar?