ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_11887 | "En ocasións vexo mortos". A célebre frase da película O sexto sentido pecha a montaxe titulada "A guerra das Ganancias" coa que os profesionais da dobraxe se enfrontan na rede contra "as forzas imperiais". | A dobraxe galega non vai morrer sen pelexar. É unha das mensaxes do vídeo que os profesionais do sector están a difundir na rede no que a través dunha dinámica montaxe suman fragmentos de películas como O sexto sentido, Star Trek ou Instinto Básico na nosa lingua mais cun texto acaído á campaña de difusión das súas reivindicacións. "A guerra das Ganancias" é o título do vídeo que comeza emulando o coñecido inicio da máis famosa saga de ciencia ficción, argumento do que botan man para a súa particular loita. "Atopámonos nun período de crise profunda. Os dobradores rebeldes loitan por saír dela, pero as forzas imperiais, representadas pola televisión pública galega, coa súa indiferenza, queren deixar morrer este vital reduto de resistencia do galego", lese en letras en amarelo sobreimpresas no ceo galáctico. "Logo de trinta anos de traballo, só o apoio aos profesionais da dobraxe conseguirá a normalización do idioma e a supervivencia dos rebeldes", defenden desde este vídeo que aspiran a converter en viral. "Cando nos deamos de conta xa non haberá ningún actor nin actriz de Hollywood que fale no noso idioma", fanlle dicir a Meryl Streep, antes de rematar afirmando que o sector "non vai morrer sen pelexar". |
NOS_10075 | A Asociación Cultural e Xuvenil Itaca e Xandobela organizan o programa de lecer "Boas noites" destinado á mocidade de Santiago de Compostela. "Compostela máxica: roteiro nocturno das historias da cidade" e a xincana "As castañas máxicas" son dúas das propostas de lecer alternativo para a xente nova nas noites das quintas e sextas feiras de novembro. O programa xurdira no ano 2000, ao abeiro do Consello Municipal da Mocidade, e revive con éxito nesta edición. | Dende Ítaca sinalan que "a acollida está a ser fantástica en todas as actividades, as que teñen límite de prazas están practicamente todas completas e con lista de agarda dende a primeira semana". Entre elas, o roteiro nocturno que encheu as prazas hai xa máis de dez días. As actividades abertas como concertos, xogos e teatro tamén experimentan unha alta demanda de participación. "As castañas máxicas" é un xogo en formato de xincana no que se parodia a serie anime "Dragon ball", mais "no lugar de ter que ir á procura das bólas máxicas, temos que atopar as castañas máxicas superando unha serie de probas e retos espallados polo parque da Alameda", sinalan. Trátase de recuperar as rúas e parques da cidade como espazos lúdicos tamén para xente nova, ao tempo que se dinamiza cunha temática moi propia do mes de novembro. Ao remate do xogo, explican dende esta asociación, convidarase ás persoas participantes a celebrar o magosto organizado no propio local de Itaca e d' A Troita Armada, na rúa do Pombal, 18. "O punto de saída será a sexta feira 17 de novembro na praza do Toural ás 20:00 horas e poden participar todas as persoas que queiran, a partir dos 14 anos". Outra das actividades destacadas para esa mesma noite será guiada polo historiador Eduardo Sánchez Novais que desvelará lendas, historias e mitos agochados entre as pedras da zona vella. "Compostela máxica: roteiro nocturno das historias da cidade" terá como punto de saída a praza do Matadoiro ás 20:30 horas. "É un roteiro participativo, polo que o itinerario non está completamente pechado e se irá construíndo en función dos intereses das persoas asistentes", indica Eduardo Sánchez. Noites temáticas: África e India A oferta do programa "Boas noites" compleméntase con noites temáticas para coñecer culturas doutros lugares que dean pé a un punto de encontro e de lecer alternativo ao feito de saír de bares, pubs e discotecas. Trátase dun xeito de divertirse sen estar supeditados ao consumismo, ao tempo que se coñece xente nova con gustos similares nun ambiente de aprendizaxe. Obradoiros de peiteado africano, de danza tradicional, de percusión e un concerto de percusión serán as actividades para a chamada "Noite africana" da quinta feira 16 de novembro. Cociña, danzas e sons da India serán os obradoiros da seguinte quinta, 23 de novembro. Estas actividades desenvólvense na Casa do Matadoiro. Trátase dun xeito de divertirse sen estar supeditados ao consumismo, ao tempo que se coñece xente nova con gustos similares Para a sexta feira 24 de novembro, haberá un obradoiro de cultivo de cogomelos no local de Ítaca e outro de elaboración de doces de Nadal no das Brañas de Andrés. A representación de 'Enclave D.X.', de Vacaloura Teátrica, no Centro Xove da Almáciga será a última das actividades previstas nesta edición. Os inicios, no ano 2000 Este programa de actividades de lecer e deportivo en horario nocturno nacera no ano 2000 en Santiago de Compostela, ao abeiro das propostas xurdidas no Consello Municipal da Mocidade. Xa daquela contou coa organización de asociacións xuvenís de base para facer o que deron en chamar "movida alternativa". En Vigo denominouse "Noites Vivas" e en Pontevedra "Noites Abertas". En Compostela, após retomar a experiencia ao abeiro dos Orzamentos Participativos en 2016, a demanda existente nesta nova edición xa anuncia que se prorrogará para o vindeiro ano. Nota: A imaxe que vai inserida no meio do texto, da autoría de Itaca, recolle un aspecto do obradoiro de serigrafía. |
NOS_40803 | Ceuta quere a estatua de Millán Astray que o Concello da Coruña ordenou retirar en 2010 en aplicación da Lei da Memoria Histórica e tras a petición de colectivos veciñais e culturais. | O Goberno de Ceuta que preside Juan Vivas (PP) solicitou ao Concello da Coruña a "cesión" da estatua do fundador da Lexión Española, José Millán-Astray, que foi retirada en 2010 polo Consistorio galego da praza do mesmo nome [rebautizada en 2015 como das Atochas] en aplicación da Lei da Memoria Histórica. O portavoz do Executivo de Ceuta, Alberto Gaitán, explicou esta sexta feira en rolda de prensa que esa é unha das iniciativas que se adoptaron para "dar realce" á conmemoración do centenario da fundación da forza militar, que decorrerá este domingo, 20 de setembro, aínda que os seus actos principais tiveron que ser aprazados pola pandemia do coronavirus. Gaitán non concretou que uso pretende darlle a Cidade Autónoma española á efixie do golpista e avanzou que se acordaría "coa Comandancia Xeral de Ceuta". Esta semana instaláronse bandeirolas e carteis coa lema 'Ceuta e A Lexión, cen anos de unión' no Palacio autonómico, o Conxunto Monumental das Murallas Reais e o Auditorio do Revellín. Ademais, este sábado instalarase unha placa no centro da cidade autónoma, onde estaba o Cuartel do Rei no que en 1920 alistouse o primeiro lexionario. Por riba, a melodía de 'El novio de la muerte' acompañará esta fin de semana cada hora o son das campás do reloxo da sede da Administración autonómica. O Concello da Coruña, durante a época do bipartito, retirara as honras a Astray. Isto provocara que a Asociación Cultural e Deportiva Veteranos de La Legión recorrera á xustiza para o impedir. Acabárase determinando que a retirada das honras era legal após un proceso no cal se cruzaron sentenzas e apelacións. O recoñecemento eliminárase en aplicación do artigo 15 da Lei de Memoria Histórica, no que se prevé a retirada de "escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva da sublevación militar, da Guerra Civil ou da represión da ditadura". |
NOS_58430 | Xa saíu do prelo o novo semanario. A gran banca e o lucro que non cesa, a maternidade na literatura, entrevistamos Agustín Fernández Paz, botamos un ollo a unha campaña electoral que arranca xa... todo isto e máis neste nº144, que podes adquirir na nosa loxa. | Xa está nos quioscos e na nosa loxa o número 144 do semanario Sermos Galiza, desta volta coa gran banca española e o lucro que non cesa, uns beneficios en aumento cuxas orixes e causas son debullados nunha dupla páxina. Un artigo de Clodomiro Montero (da CIG-Banca) que acompaña a reportaxe axuda a entendérmonos un tema de actualidade após se coñecer que no primeiro trimestre de 2015 as gañancias da banca aumentaran nun 67%. Como corresponde a estarmos xa cun pé na campaña electoral, neste número tamén tratamos o tema. 'Municipais 2015, a primeira parte das xerais' falamos dunha campaña decisiva para o reparto do poder no Estado co nacionalismo tentando preservar o rol da Galiza como país. E en 'As présas do PP por inaugurar o Eixo Atlántico e fechar o caso Angrois' contamos que o corpo de maquinistas denuncia que Renfe lles trasladou a responsabilidade ante as deficiencias do novo trazado. O Goberno español minimiza os riscos, mentres trata de evitar que a investigación polo accidente do Alvia abafe unha das súas principais apostas electorais en Galiza. 'O sangue prohibido' 'O sangue prohibido' é o nome da reportaxe na que falamos das instancias xudiciais europeas avalan a exclusión de homosexuais nas doazóns de sangue, unhas políticas discriminatorias que atinxen o corazón de Europa. Entrevistamos Erea Martínez, unha das 17 traballadoras sociais do Concello de Vigo. Un colectivo nada dado á exposición pública, mais que vén de convocar protestas na rúa por segunda vez en menos dun ano. Un síntoma máis da emerxencia social na cidade e da ausencia de políticas para atallala. Martínez recalca que fala en nome do persoal dos servizos sociais, que deu o paso ante unha situación que definen como "insostible". "Queren que priorizemos dentro da miseria pola falta de persoal". En 'Xaque ao sector lácteo': O escenario non pode ser peor. Rematadas as cotas lácteas, a liberalización do mercado deixou vía libre a que sexan as industrias as que impoñan as novas condicións no sector lácteo. 34 a cero: un resultadismo antipedagóxico O 1 de xaneiro entrará en vigor o novo mapa rexional francés, un deseño contestado desde pobos como o bretón, o alsaciano ou o occitano, que lembran -con cors@s e vasc@s- que París ten pendente recoñecerse como estado multinacional. Tratamos o tema en 'Os pobos desafían La Grandeur'. E neste número levamos un tema de interese e non moi debatido. As 'goleadas' abultadas en `partidos de categorías de base. 50 a 0, 34 a 0,... pasan factura os xogadores? Pódense evitar?. Un artigo de Diego Boquete, mestre de Educación Física, completa a información. Fernández Paz Entrevistamos Agustín Fernández Paz, un dos grandes da literatura galega, que vén de regresar á literatura de medo con 'A neve interminable' (Xerais). "A ficción é imprescindíbel para a vida". Da man de Viaxes na Miña Terra percorremos a beira do Miño ao seu paso polo Cocello das Neves. Contra a relevancia que a maternidade pode ter na biografía das autoras, a súa presenza na cultura foi até o momento, escasa. Unha nova xeración de artistas, músicas e escritoras fan agora da maternidade motivo das súas obras. Guadi Galego, María Lado, Inma López Silva, Susana Seivane ou Mónica Alonso son algunhas das creadoras que levaron a súa experiencia como nais á literatura, mú- sica ou arte no último ano. Tratamos este tema nunha dupla páxina. E na contra-capa, Limiar Teatro e Acaso Dança fálannos dunha obra teatral que une o Brasil, Galiza e Portugal. Un espectáculo que tira da lingua como nexo de unión para nos lembrar que unha vez estivemos unidas e que aínda o estamos. Un proxecto "lindo" mais tamén "complexo" pola loxística que carrexa mobilizar equipas das dúas bandas do Atlántico |
PRAZA_8128 | Os grupos foron elixidos a través dunha votación no Facebook entre as 39 propostas presentadas á programación de día. O festival celebrarase os días 10, 11 e 12 de maio en Bemposta (Ourense) | O Festival Reperkusión, que se celebra este ano do 10 ao 12 de maio na Cidade dos Muchachos de Bemposta, en Ourense, abriu parte da súa programación á escolla do público. Tratábase de que a través de Facebook os seguidores do festival elixisen tres grupos entre os 39 que se presentaron á convocatoria de artistas. A resposta foi tan positiva que o festival decidiu incorporar os catro grupos máis votados, que conseguiron cada un deles máis de 1.200 votos. Son os ourensáns Guezos, creadores dunha música heteroxénea que parte do folk; os tamén galegos Skarallaos, un grupo de xente moi nova cun directo enérxico que eles chaman punkizaxe, os asturianos La Tarrancha, que mesturan ritmos xamaicanos con letras reivindicativas en lingua asturiana, e os barceloneses Rimbarán, responsables dun son divertido que denominan rimba. Únense a un festival no que destaca a presenza de Manu Chao e Fermin Muguruza, cabezas de cartel. A resposta foi tan positiva que o festival decidiu incorporar os catro grupos máis votados, que conseguiron cada un deles máis de 1.200 votos Á convocatoria do Festival Reperkusión para que artistas, grupos e compañías profesionais e amadoras presentasen as súas propostas para formar parte da programación de día do festival, presentáronse 39 candidaturas. Houbo unha presenza destacada da música, con grupos de todos os xéneros: rumba, reggae, folk, rock, punk, fusión, balcánica... Tamén houbo varias propostas de novo circo, clown, malabares e humor, ademais de teatro, danza e ioga da risa. A maioría chegaron de Galicia, pero tamén de Barcelona, Madrid, Euskadi, Castilla, Canarias e Asturias. Do 21 de febreiro ao 10 de marzo, os seguidores do festival votaron cos seus Gústame as súas propostas favoritas, xuntándose máis de 11.500 votos na páxina en Facebook do Reperkusión. O festival celebrarase os días 10, 11 e 12 de maio en Bemposta (Ourense), cun cartel encabezado por Manu Chao e Fermin Muguruza, que se pechará a próxima semana coas últimas confirmacións. Ata este venres 15 de marzo é posible mercar os bonos de tres días con cámping ao prezo especial de 25 euros. |
NOS_16997 | A cúpula directiva do Deportivo podería actuar esta terza feira contra os riazor blues após os sucesos de Madrid. Barállase a hipótese da clausura de Maratón Inferior, a bancada que ocupan os hinchas branquiazuis. Por súa parte, os blues emitiron un comunicado para negar que houbese unha "quedada" co Frente Atlético e para demandar a "pronta posta en liberdade" dos seus compañeiros detidos. | O Consello de Administración do Deportivo quere oferecer a imaxe de que non tolera os comportamentos violentos e seguir así os pasos de Barcelona e Real Madrid na súa política contra os grupos organizados de seareiros que se ven envoltos en batallas campais. O Barcelona, xa hai anos, con Laporta, expulsou os boixos nois do Camp Nou. Moito máis recentemente, Florentino Pérez, o presidente do Madrid, comezou unha campaña sen precedentes no Bernabéu contra os ultra sur. Segundo afirma La Voz de Galicia, non existe consenso no seo do Consello de Administración do Deportivo sobre que medidas concretas adoptar contra os blues. Abalan desde a clausura de Maratón Inferior até a expulsión como socios das persoas que se demostre policialmente que estiveron implicadas nos sucesos que resultaron na morte violenta de Jimmy. Algúns conselleiros entenden que sería abondo con retirar os emblemas e bandeiras identificativos dos blues. Non existe consenso no seo do Consello de Administración do Deportivo sobre que medidas concretas adoptar contra os blues De se adoptar a clausura de Maratón Inferior, os blues serían reubicados noutras zonas do estadio. Comunicado Segunda feira á noite, os blues emitiron un breve comunicado. Nel trasladan o pésame "a todos os familiares e amigos do noso irmán Jimmy", reiteran que non concertaran encontro ningún co Frente Atlético e piden a "pronta posta en liberdade" dos blues detidos. |
NOS_39222 | A porcentaxe destinada a investigación, desenvolvemento e innovación caeu até supor apenas o 0,85% do PIB, lonxe da media española e da UE. | A referencia ao I+D+i como elemento imprescindíbel para o desenvolvemento económico e albo dos esforzos de investimento da Xunta non falta en calquera discurso dun cargo público que se preze. Porén, a realidade é ben diferente: Galiza leva anos a ver como mingua a súa aposta pola Investigación, o desenvolvemento e a innovación. Os dados de 2013 sinalan que o gasto neste apartado apenas supuxo o 0,85% do Produto Interior Bruto (PIB), un recorte a respecto do ano anterior, que fora de 0,88%. Ese 0,85% supón que o noso país fica por baixo da media estatal (que anda por volta do 1,3% do PIB) e moi afastada da media da Unión Europea, onde esa aposta supón case máis do 2,1 por cento do PIB. Cómpre lembrar que no plan estratéxico deseñado pola Consellería de Facenda para Galiza sitúa como horizonte en 2020 un investimento do 3%. Por sectores, o empresarial supón o 45,9% do I+D+i. No estado a achega deste sector é do 53% e na UE de máis do 63%. No 2013, só un 0,53% das empresas con sede social en Galiza dedícanse á manufactura en ramas intensivas en tecnoloxía alta ou medio alta e só un 1,2% se situaron nas ramas de servizos intensivos en formación de tecnoloxía alta ou punta. A administración pública representa o 15% da aposta económica polo I+D+i, mentres que o ensino superior e as entidades privadas sen ánimo de lucro son o 39,3%. O persoal adicado en Galiza a Investigación, Desenvolvemento e Innovación en relación ao total de emprego en economía é o 1,03%, porcentaxe tamén inferior á media española, que anda polo 1,3%. |
NOS_3767 | Psicanalista, membro da Escola Lacaniana de Psicoanálise e da Asociación Mundial de Psicoanálise, Manuel Fernández Blanco (A Coruña, 1959) é un psicólogo clínico con 34 anos de experiencia no Servizo de Psiquiatría no CHUAC, da Coruña, que reflexiona para Nós Diario sobre as implicacións na psique da pandemia | A primeira pregunta resulta case obrigatoria no contexto en que estamos a vivir. A irrupción como cabalo desbocado da pandemia da COVID-19 suporá un antes e un despois nas nosas vidas, un cambio drástico na sociedade, ou será tan só unha paréntese máis ou menos breve? Sería bo que sacásemos algunha lección desta situación, aínda que eu non son excesivamente optimista a respecto de cambios permanentes. Si que pode levar a un repunte de certos problemas, como que as relacións interpersoais se vivan con maior desconfianza, por exemplo, a que se cree unha tendencia de ver o outro como unha posíbel fonte de transmisión de enfermidades, do mal, que leve a que se levanten pantallas por todos os lados e que se impoña a realidade virtual sobre a real, que se espalle a idea de que só o virtual é seguro e, polo tanto, avancemos cara a un mundo apantallado, permítaseme o neoloxismo, en todos os sentidos. Como profesional que desenvolveu a súa profesión durante máis de 30 anos nun centro público como é o Hospital Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña, pensa que as consecuencias de certas políticas sanitarias, como os recortes orzamentarios, se manifestaron durante a crise provocada polo coronavirus? Agora parece que cobran relevancia moitas cousas que estaban un pouco abandonadas. Por exemplo, na manifestación das consecuencias dos recortes que se produciron durante moitos anos na sanidade. Cando vén unha crise como esta vese que se poden rachar facilmente as costuras do sistema. Tamén se ven as consecuencias nos recortes noutro eido, como é o da investigación científica. E, ademais, os dos peores efectos da globalización, no sentido da procura do abaratamento constante dos custos produtivos, que fixo que non se puidesen fabricar no noso propio país produtos sanitarios de primeira necesidade, o que levou a situacións dramáticas. Todas son cuestións das que todo o mundo di que hai que tomar nota, procurar un cambio de modelo... pero tamén se dicía o mesmo logo da crise económica de 2008, e quedou en nada, porque a memoria é fráxil, pois o ser humano está máis feito para o esquecemento que para o recordo. Polo menos agardemos que isto sirva para que se corrixa unha certa deriva neoliberal extrema que viñamos padecendo. Agora que fala vostede desa deriva neoliberal, un dos comentarios que máis se repite para quitarlle ferro á gravidade da pandemia é que "só afecta aos vellos". Non é iso propio dunha sociedade enferma ou, canto menos, cun sistema de valores un tanto alterado? Si. É propio dunha sociedade onde se liga o valor á produtividade e ao consumo. Entón, por unha banda, os anciáns son valiosos en canto entran no mercado. Por exemplo, as residencias de anciáns son cada vez máis un negocio importante, por iso os fondos de investimento entran decididamente no sector, pero eles mesmos, seguindo esa lóxica produtivista, son considerados como amortizados, por dicilo dun modo cru. E isto é o que se viviu dramaticamente nesta crise sanitaria, onde máis ou menos arredor de 50%, senón máis, dos falecidos no Estado español por esta crise son internos en residencias de anciáns que se fixeron visíbeis unicamente pola gran cantidade de mortos que había. Agardemos que esta crise leve a unha reorientación do modo en que se está levando a atención aos nosos vellos. No outro lado da balanza vital están as crianzas, que apenas están padecendo en mortes, pero si en problemas psicolóxicos. Como pensa que están levando os nenos e nenas o novo escenario creado pola COVID-19? Ás veces pénsase que a rapazada non ten entendemento, pero iso é un esquecemento das persoas adultas da súa propia infancia. Hai unha frase de Freud en O porvir dunha ilusión na que di: "Pense vostede no lamentábel contraste entre a intelixencia dun neno san e a debilidade mental do adulto medio". A que se refire? Pois a que as persoas adultas actúan moito máis reprimidas, tenden a negar as verdades incómodas... mentres que unha nena está nunha posición de lucidez maior ante o mundo real. As crianzas, cando as cousas se lles explican de forma clara, entenden ben, e responsabilízanse. E sen deixar o tema das nenas. Como sabe, desde a súa "posta en liberdade", moitas das denominadas policías de balcón velan, cámara en man, polo respecto da normativa. Esa nova figura é un exemplo de civismo ou considéraa perigosa? Un exemplo de civismo, nunca. Actúan así porque presupoñen que a persoa na rúa ten un goce do que ela se ve privada, pero sabemos que non sempre é así. |
NOS_12522 | O BNG reprochoulle ao presidente que non exercese as súas competencias e responsabildiades para valer os intereses do país e este respondeulle criticando que se "alíen con CUP e Bildu". | A mellor forma de defender Galiza, os seus sectores produtivos e intereses é cumprir a Constitución española e o estatuto. Así o afirmou Núñez Feijóo duranta e sesión de control ao presidente no Parlamento para responder ao BNG, que lle reprochaba o seu "silencio" cando tocaba facer valer o país. "Para defender Galiza, o primeiro é gobernar, e gobernar é cumprir a constitución española e a consitución galega, que é o estatuto", dixo o presidente da Xunta para a seguir recriminarlle ao Bloque estar en contra de ambas 'constitucións' e, ademais, "aliarse coa CUP e Bildu". O portavoz nacionalista na Cámara, Francisco Jorquera, dixo que Feijóo só se preocupaba "de que outros defendesen os seus dereitos" [en referencia ás críticas do mandatario galego ao proceso catalán] "mais fai deixadez da defensa dos dereitos de Galiza". Desde que é presidente, lembroulle Jorquera, "non conqueriu nin unha soa competencia para o país" alén de "non exercer as que ten, como se amosou na crise do leite". Embora ter a Xunta competencias exclusivas en agricultura "vostede, señor Feijóo, limitouse a dicir amén ao que dixeran en Madrid". Máis un exemplo, prosegiu Jorquera, de que "o país está en venda por parcelas e Feijóo calado". O presidente galego acusou o BNG de "querer traer a Galiza o problema que os cataáns rexeitaron nas urnas" e aproveitou para dicir que "España é unha nación de 500 anos". Sanidade pública Na quenda de AGE, Yolanda Díaz preguntoulle pola situación da sanidade galega, facendo fincapé no "caos" que se evidenciou no novo hospital de Vigo. Díaz denunciou os recortes que a Xunta fixo nestes anos na sanidade pública ("somos o terceiro territorio no Estado en privatizar na sanidade"). Feijóo afirmou que o novo hospital de Vigo "é un orgullo da sanidade pública". De por parte, o portavoz parlamentar do PsdeG, Méndez Romeu, centro a súa pregunta ao presidente en facer un repaso da situación de recortes que se produciron no gasto social da Xunta e nas consecuencias desas decisións. Feijóo defendeu a actuación do goberno neste eido e asegurou que u dos principais obxectivos é "blindar e mellorar os servizos públicos". |
PRAZA_20676 | Farao a través da Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (Emvsa), vencendo a prohibición de contratar ou subrogar traballadores dende os concellos. 3 das 8 bibliotecas municipais xa eran xestionadas de forma pública e agora uniranse as outras 5, con 64 empregados. | A Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2017 incluiu nas súas disposicións adicionais 26 e 34 importantes limitacións á contratación de persoal por parte dos concellos, dificultando en gran medida os procesos de remunicipalización, así coma a prestación de novos servizos á cidadanía. Estes obstáculos víñanse a unir a outros, coma a taxa de reposición e a Lei Montoro, cos que o Goberno central viña dificultando a acción das administracións locais. O intento por parte do Concello da Coruña de recuperar a xestión directa das bibliotecas da cidade, iniciado o pasado ano, chocou contra as citadas disposicións e contra un informe negativo do secretario municipal, que dificultaba a subrogación dos contratos do persoal xa existente. Porén, o Goberno municipal vén de iniciar o proceso de asunción da xestión do servizo de bibliotecas de proximidade, a través dunha empresa pública xa existente, a Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (Emvsa). 3 das 8 bibliotecas municipais xa eran xestionadas de forma pública e agora uniranse as outras 5, cun total de 64 empregados e empregadas. Así, apóstase por un modelo de xestión directa, a través de persoal funcionario, dos servizos centrais, que son os que na actualidade se concentran no edificio municipal de Durán Loriga, e que inclúen tamén a Biblioteca de Estudos Locais e a biblioteca infantil e xuvenil. Tamén será ocupada por persoal funcionario a totalidade das direccións das bibliotecas de proximidade (centro Ágora, Fórum Metropolitano, O Castrillón, Monte Alto, Rosales e a Sagrada Familia). E, finalmente, a xestión dos servizos bibliotecarios (técnicos e auxiliares) das bibliotecas de proximidade realizarase a través dunha sociedade mercantil local pública, Emvsa, que irá incorporando progresivamente os e as traballadoras que neste momento están contratadas a través de Eulen. O Concello da Coruña fai uso dunha excepción prevista na propia disposición adicional 26ª que permite non contabilizar "como persoal de novo ingreso do cómputo da taxa de reposición de efectivos" o incorporado "en cumprimento dunha sentenza xudicial, ou previa tramitación dun procedemento que garanta os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade". En paralelo, e mentres Emvsa completa o proceso, o Concello licitará un contrato ponte de servizos complementarios das bibliotecas, cunha duración dun ano e un importe anual de 2,4 millóns de euros. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, destacou que a decisión do Goberno municipal consegue vencer os "atrancos do Goberno central a todos estes procesos de municipalización en marcha en todo o Estado" e responde "á aposta polas municipalizacións e á nosa vontade de buscar opcións e seguir adiante con elas, pese aos bloqueos do Executivo". Sande subliñou que, ademais, "garante os postos de traballo, unha cuestión que foi en todo momento e segue a ser unha premisa central no noso proceso de remunicipalización". A concellería destaca que "a internalización de todas as bibliotecas permitiría reordenar o servizo, contribuíndo á mellora da súa eficiencia e incrementando as prestacións ofrecidas á cidadanía". Ademais, sinala que "a aposta pola remunicipalización do servizo de bibliotecas busca acabar cunha dobre xestión derivada dun modelo público-privado que provoca distorsións na xestión interna". |
PRAZA_5396 | Compromiso presenta a súa candidatura ás europeas, encabezada por Paulo Carlos López e formada por "xente moza e do común", din. | As forzas políticas seguen a poñer en marcha as súas engranaxes para as eleccións europeas do 25 de maio, unha precampaña que en Galicia está vindo marcada polo desdén do presidente da Xunta e do PPdeG cara ás demais candidaturas. Alberto Núñez Feijóo cualifica de "irrelevantes" ao resto de formacións e o seu referente na lista que encabeza Arias Cañete, Francisco Millán Mon, reduciu a "ruído" o papel das pequenas organizacións na Eurocámara. Este mércores Compromiso por Galicia presentaba en sociedade a súa candidatura e, neste marco, aproveitou para retrucar ás descualificacións presidenciais. "A arrogancia de Feijóo o único que dá a ver é a súa talla política, que é a que se aproxima á irrelevancia", sintetiza o secretario xeral de CxG, Xoán Bascuas. No acto organizado pola formación galeguista no compostelán parque de Bonaval para presentar os compoñentes da lista que encabeza Paulo Carlos López, gañador das primarias abertas do partido, Bascuas fixo especial fincapé na súa aposta por non "sinalar co dedo aos demais", senón por "facer a nosa campaña" na cal, subliña, Compromiso vai ter "denominación propia, campaña e candidatura propia" malia concorrer aos comicios en coalición co PNV, CiU e Coalición Canaria. Compromiso subliña que a súa candidatura está formada por "xente moza e do común" "Estamos fartos de que os diferentes partidos se arroguen a voz da cidadanía" antes de pasar polas urnas, afirma, nun contexto no que define a López e o resto de candidatos como "xente do común que sente e padece os problemas como calquera cidadán". Nesta liña, o candidato galeguista explica que a súa aposta será "avogar pola Europa das persoas", a que "poña a política por riba da economía" e demostre "que a política é unha das cousas máis bonitas da historia da humanidade". En síntese, di, "outra forma de facer política", de "honestidade" e contraria á "corrupción". López, que segundo destaca CxG é o cabeza de lista "máis novo do Estado español" nestas europeas, pon ademais o acento na vocación de "forza política útil e a ter en conta" de Compromiso. A "irrelevancia" da que fala Feijóo "vaise converte en relevancia palpable", asegura. Dende o seu punto de vista "non hai forza política máis inútil que o PP, que lle crea problemas á cidadanía no canto de resolverllos". |
NOS_41764 | Lixeira suba do BNG que gaña unha décima en intención de voto (0,5%) de igual maneira que Amaiur (1%). ERC baixa do 2,3% en novembro de 2014 ao 1,6%. | Segundo o Barómetro do CIS correspondente ao mes de xaneiro de 2015 o partido de Pablo Iglesias, Podemos, converteríase en segunda forza en estimación de voto co 23,9%. O Partido Popular manteríase como primeira forza co 27,3% dos apoios. Pola contra, o PSOE tornaríase en terceira forza política por vez primeira no tempo en que se desenvolve este inquérito co 22,2% dos apoios. O inquérito reflicte a consolidación de Podemos a nivel electoral e sitúao mesmo como primeira forza en intención directa de voto (19,3%) seguido do Partido Popular (12,9%). O estudo tamén amosa a progresiva substitución do PSOE por parte da formación que lidera o eurodeputado e profesor da Complutense de Madrid. Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexistra unha lene suba en estimación de voto a respeito dos resultados recollidos polo Barómetro do CIS en novembro do pasado ano. Neste senso, incrementa unha décima pasando do 0,4 ao 0,5%. Feito que partilla tamén a organización da esquerda abertzale, Amaiur, que acada un punto. Pola contra, ERC baixa do 2,3% ao 1,6% ao igual que CiU que pasa do 3,8% ao 3%. Tamén o PNV perde apoios pasando do 1% ao 0,7%. Quen si obtén mellores pronósticos é Ciutatans que obtería, segundo o CIS, o 3,1% dos apoios en estimación de voto. Tamén así, Izquierda Unida melloraría os seus resultados após unha forte queda dos apoios no inquérito do mes de novembro. Neste senso, o estudo apunta cara á un 5,2% na estimación de voto fronte ao 4,8% ao que caera desde o 8,2% do período anterior (xullo 2014). |
PRAZA_1553 | Santiago acollerá unha manifestación o 17 de xullo. O BNG demanda a comparecencia de Feijoo no Parlamento e chama a unha fronte de alcaldes "sen cor política". O PSdeG tamén denuncia a "irresponsabilidade" da Xunta. Lidia Senra e Isabel Vilalba denuncian en Bruxelas a crise. | O sector lácteo galego atravesa unha situación insostible. Aos moi baixos prezos que os produtores estaban percibindo, entre 26 e 28 céntimos por litro (18 céntimos en moitos casos), moi lonxe dos máis de 34 pagados noutras comunidades autónomas, uníronse nas últimas semanas os anuncios de Pasccual, Leite Río ou Leitegal de que ía deixar de recoller o leite en moitas granxas. Os sindicatos agrarias denuncian que "estamos a vivir o desmantelamento do sector lácteo galego e a deslocalización da produción leiteira do noso país cara a outras zonas do Estado onde está o groso do consumo, como a franxa mediterránea", como sinalou hai uns días o SLG. E tanto as centrais coma os partidos da oposición subliñan a "inacción" do Goberno galego nun asunto gravísimo para a mesma supervivencia do sector. Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Asaja Galicia convocaron unha manifestación para o vindeiro 17 de xullo en Compostela Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Asaja Galicia convocaron unha manifestación para o vindeiro 17 de xullo en Compostela. Como recolle o xornal Campo Galego, para Unións Agrarias, "o problema non é tanto de dificultades de recollida, que tamén, como de prezos. As industrias están a utilizar a cancelación da recollida de leite como unha estratexia para abaratar o leite no campo". As organizacións agrarias salientan que "hai un pequeno grupo de primeiros compradores intermediarios que están a ofrecer contratos de 16-18 céntimos a partir do 1 de xullo". Besteiro esixiulle ao presidente da Xunta que supere a súa "falla de decisión" para "liderar a resposta a un problema que teñen os nosos gandeiros e que polo tanto ten o noso país" O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou este mércores que "a irresponsabilidade de Feijóo comeza a pesar como unha lousa" e esixiulle ao presidente da Xunta que supere a súa "falla de decisión" para "liderar a resposta a un problema que teñen os nosos gandeiros e que polo tanto ten o noso país". O líder dos socialistas galegos criticou a ausencia absoluta do goberno galego no apoio ao sector galego diante da desaparición do sistema de cotas lácteas e a liberalización do mercado. Besteiro sinalou que Galicia ten que afrontar esta traumática situación cos prezos do leite por debaixo do custe de produción mentres "non hai un papel activo da nosa administración" e "non hai quen defenda a produción láctea nin o modelo industrial de Galicia". Os rexedores de Mazaricos, Boimorto e San Sadurniño emprazaron os alcaldes de toda Galicia a unha xuntanza aberta, que se celebrará o vindeiro luns en Boimorto Pola súa banda, alcaldes do BNG de concellos da zona rural fixeron un chamamento á creación dunha fronte "sen distinción ninguna de cor política" en defensa do sector. Os rexedores de San Sadurniño (Secundino García), Mazaricos (Juan José Blanco Riveiro) e Boimorto (Xosé Luís Rivas Cruz, Mini) ofreceron unha rolda de prensa en Compostela na que emprazaron os alcaldes de toda Galicia a unha xuntanza aberta, que se celebrará o vindeiro luns ás 11 horas en Boimorto. "Se morre o sector lácteo, morre o rural", alertou Mini. "Temos 360 explotacións gandeiras, se fallan as explotacións fallan os talleres, falla a hostalería, fallan as empresas de servizos, cando falla a gandería, cando falla o sector leiteiro falla todo", explicou o rexedor de Mazaricos, que alerta de que "non seríamos capaces nin de manter os servizos básicos". "Desde os concellos temos unha responsabilidade directa, e podemos prestar apoio ante os abusos das industrias que poñen en perigo a explotacións que fixeron os deberes, que investiron e que son produtivas pero que non poden ca política de prezos abusivos da industria", engadiu Blanco. De igual xeito, o BNG solicitou hoxe a convocatoria "urxente" da Deputación Permanente do Parlamento para que Núñez Feijoo compareza na cámara "ante a grave situación do sector lácteo". Finalmente, Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, denunciou en Bruxelas "a situación crítica do sector lácteo galego" no marco do Observatorio Europeo do Mercado do Leite. Vilalba debullou os "resultados catastróficos de termos un sector completamente desregulado dende o final do sistema de cotas", sen ningún tipo de control sobre a produción "e con marcos lexislativos que deixan as granxas completamente indefensas diante das prácticas comerciais abusivas das industrias". Para a secretaria xeral do SLG "é un auténtico escándalo que se estea a traballar nunha política que se basea na desaparición de miles de explotacións para sobredimensionar e concentrar a produción nas restantes. O máis triste é que os nosos dirixentes, nomeadamente dende o Ministerio de Agricultura e a Consellaría de Medio Rural, estean enganando ao sector ao defender as bondades da desregulación e da eliminación de calquera control sobre a produción e os mercados". Isabel Vilalba debullou os "resultados catastróficos de termos un sector con marcos lexislativos que deixan as granxas completamente indefensas diante das prácticas comerciais abusivas das industrias" Tamén a eurodeputada de AGEe Lidia Senra sinalou que "lamentabelmente as nosas peores predicións estanse cumprindo, estamos ante as consecuencias do fracasado paquete lácteo, que non é capaz de garantir nin a recollida, nin os prezos nin absolutamente nada para as produtoras e produtores". Senra denunciou a "gravísima deixadez de funcións e irresponsabilidade absoluta da que están a facer gala a Conselleira e a Ministra". "É gravísimo que tanto Rosa Quintana como Isabel García Tejerina estean a mirar para outro lado. Esta situación aclara o interese que o Partido Popular ten no medio rural galego, é dicir, absolutamente ningún", sinalou. |
NOS_35877 | Nomea Cuca Gamarra como portavoz do Congreso e Ana Pastor será vicesecretaria de Política Social. | Cayetana Álvarez de Toledo xa non é portavoz parlamentar do PP. Só durou un ano no cargo, un tempo que investiu en ensarillarse múltiples polémicas e nun ton inflexíbel que a puxo contra o Goberno español, a esquerda, os soberanismos e incluso contra compañeiros e compañeiras do PP molestas co seu ton e o seu fondo. Na despedida tampouco calou: "Pablo Casado considera que a miña concepción da liberdade é incompatíbel coa súa autoridade". O PP decidiu relevar Cayetana Álvarez de Toledo e nomeará no seu lugar a Cuca Gamarra, até agora vicesecretaria de Política Social do PP, ex alcaldesa de Logroño e con militancia no partido desde a súa mocidade. Nas primarias apoiou Soraya Sáenz de Santamaría. Gamarra, á súa vez, será substituída como vicesecretaria de Política Social por Ana Pastor, a vicepresidenta do Congreso que xa exerceu como portavoz do Grupo Popular na Comisión de Reconstrución após o coronavirus. Ademais, o presidente do PP decidiu promocionar ao alcalde de Madrid, José Luís Martínez-Almeida, outorgándolle o posto de portavoz nacional do Partido Popular. Álvarez de Toledo, nacida en Madrid en 1974, foi a aposta de Pablo Casado para portavoz do Grupo Popular após as eleccións de abril de 2019, nas que foi cabeza de lista por Barcelona, renovou escano e cargo nos comicios de novembro pero agora, uns anos despois do seu nomeamento, foi relevada. Diferentes medios de comunicación apontan a que o relevo de Cayetana é unha vitoria de Núñez Feixoo, do que destacan a súa escasa sintonía coa até dfe agora portavoz. |
NOS_17992 | Yolanda Diaz dixo nun mitin en Vilagarcía que aspiran a representar no Parlamento galego "a loita democrática". Beiras amosouse convencido de que "é posíbel dar a volta a situación". | AGE aspira a "dar representación política á loita democrática, pois os mercados xa están representados no Parlamento Galego". Así o afirmou Yolanda Díaz, na súa intervención no mitin que a coalición ofreceu en Vilagarcía de Arousa. Díaz fixo tamén unha petición á participación masiva o próximo 21 de outubro "para que non decidan por nós". No acto tamén interveu, entre outros, o candidato Juan Fajardo. Fajardo criticou que Feijóo "leva unha candidatura para defender os intereses do 1% que ten o 80% do país" e denunciou que as SICAV --sociedades de investimento-- incrementaron nun 50% os seus beneficios. O mitin pechouno Xosé Manuel Beiras, quen se amosou convencido de que "é posíbel dar a volta a situación". Beiras cargou contra o que cualificou "táctica do medo" que segundo el non funcionará por mor de que existe "unha marea de esperanza". O candidato de AGE resumiu a xestión do Partido Popular cun só termo: "espolio". Aliás, Beiras manifestouse contrario á "mercantilización do electorado"."A día de hoxe a política entendese como mercadotecnia, non se dá espazo para unha verdadeira construción da expresión social, iso ten que cambiar" dixo. |
PRAZA_2021 | A Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego dá por bloqueadas "o 100%" das factorías lácteas na Coruña e Pontevedra e lamenta que o grupo de Lugo despregue "un discurso teledirixido" para frear a mobilización. Vídeo no interior Un tractor para agradecer o "apoio total" da veciñanza de Santiago | Un tractor para agradecer o "apoio total" da veciñanza de Santiago Dúas facianas da loita gandeira. Despois de seis días de tractorada en Santiago e semana e media en Lugo, dende a madrugada deste sábado púxose en marcha a nova fase das mobilizacións para esixir que o preacordo formulado por industria e distribución, "magnífico" para a Xunta, inclúa "garantías" da fin dos prezos por baixo dos custos de produción. Tal e como decidiran os gandeiros ao abeiro da Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego, a práctica totalidade das factorías lácteas do país foron bloqueadas polos tractores mentres, en Lugo, o grupo que nas últimas semanas se desmarcou da plataforma daba por finalizada a tractorada entre acusacións de "vandalismo". Xa nas últimas horas do venres comezaron os bloqueos. Columnas de tractores dirixíronse a factorías como a de Celta, en Pontedeume, a de Nestlé en Pontecesures, á fábrica de Leyma en Arteixo ou á de Feiraco en Negreira. Realizáronse bloqueos, asemade, na planta de Leite Río en Lugo, na de Larsa en Outeiro de Rei ou na de Puleva en Nadela. Tras apenas doce horas de protesta a Plataforma coida que as fábricas das provincias da Coruña e Pontevedra están paralizadas "ao 100%" e un "grupo pequeno de Lugo" tenta que aconteza o propio, explica en declaracións a Praza.gal o voceiro do colectivo, Anxo Escariz, responsable da Organización de Produtores de Leite (OPL). Nalgúns lugares, ademais, realizáronse verquidos de leite como protesta, caso por exemplo de Touro, onde se baleiraron uns 5.000 litros, segundo indica Unións Agrarias. Os gandeiros subliñan o "bloqueo do 100% das factorías na Coruña e Pontevedra Mentres isto sucedía en múltiples puntos de Galicia, unha asemblea gandeira ante o edificio administrativo da Xunta servía para escenificar, non sen tensión, a fin da tractorada de Lugo. Como en días pasados o encargado de poñerlle voz á decisión foi o gandeiro Roberto López, quen instou os presentes a "marchar e facer as cousas dentro da legalidade". "Os grupos de Whatsapp son moi rápidos e téñennos a todos ao día", polo que "non fai falta vir aquí con 2.000 tractores e bloquear Lugo" para que siga a circular a información, xustificou. López alude a actos "vandálicos" para xustificar a fin da tractorada e desmárcase das protestas nas industrias Entre os motivos aludidos por López para o desmarque da protesta está, precisamente, o bloqueo ás industrias, nas que aprecia actos "vandálicos". Se esas accións "conseguen algo", di, será benvido, aínda que, pola súa banda, asume o "compromiso" de aproveitar "o grupo de xente que estivo estes días comigo" para "seguir traballando". Esa agrupación servirá para conseguir mellores prezos, afirma na liña do manifestado dende a Consellería do Medio Rural nos últimos días. Nun sentido semellante, a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) anunciaba nun comunicado que se "desvincula" da Plataforma por non compartir a "radicalización" das protestas. A Plataforma aprecia "un discurso teledirixido" no voceiro do grupo de Lugo Para a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego o sucedido este sábado en Lugo "non é nada que non soubésemos xa", ben ao contrario, "xa o advertíramos por activa e por pasiva", asegura Anxo Escariz. "Nós estamos ao lado dos gandeiros", que "terán que decatarse de que foron manipulados" polos erixidos en líderes da protesta lucense e "borrón e conta nova", resume, mentres algúns dos tractores que arrodeaban a Muralla se unen aos bloqueos en factorías como a de Larsa en Outeiro. A xuízo do voceiro da Plataforma o "discurso" despregado para poñerlle fin á protesta de Lugo "é un discurso teledirixido" e axustado, en última instancia, ás liñas trazadas dende o Goberno galego. A postura da Plataforma, advirte, non vai mudar, e o bloqueo ás industrias será "indefinido ata que a ministra opte por asinar" un acordo con "garantías" de prezos xustos. |
NOS_1193 | Abertas ao Galego conta cunha aplicación para xeolocalizar e valorar os establecementos que utilizan a nosa lingua, distinguíndoos tamén cun sinal identificativo e animando á cidadanía a consumir neles | A aplicación 'Abertos ao galego' presentouse a finais de 2018 e xa conta con máis de 600 estabelecemento de toda Galiza referenciados. A Mesa pola Normalización Lingüística presentou esta cuarta feira en Compostela unha campaña de difusión do proxecto , que conta cunha aplicación para xeolocalizar e para valorar os establecementos que utilizan o galego e que este 2020 distribuirá entre eses máis de 600 comercios referenciados un sinal identificativo co texto Aquí usamos o galego. Marcos Maceira, presidente da Mesa, asegurou que "somos conscientes das dificuldades coas que se encontra o empresariado á hora de utilizar o galego con toda normalidade". Salientou que "o empresariado que utiliza o galego", afirmou, "dá mostras de compromiso co país e coas persoas consumidoras, sen ningún apoio institucional e cunha Xunta que se abstén de cumprir as súas obrigas de promoción do idioma, o que inclúe facilitar o seu uso ao empresariado". " Celia Armas, directora de Abertos ao Galego, afirmou que "como persoas consumidoras tamén temos a responsabilidade de apoiar quen si cumpre coa lingua" e recordou que "hai dificultades que sen o apoio da administración pública son moi difíciles de superar, mais tamén hai moitos outras que son posíbeis de traspasar axudándonos entre nós". "Ese é o espírito de Abertos ao Galego", concluíu. A Mesa tamén distribuirá polas cidades e vilas da Galiza material informativo sobre "5 motivos para usar o galego", así como "18 pautas para facelo con éxito", como contar co compromiso transversal de todo o equipo. |
NOS_48778 | O PP está contento coas sondaxes favorábeis no Estado, pero na Galiza non tanto. Mentres os inquéritos que chegan de Madrid debuxan unha formación á alza que marca distancias co PSOE no conxunto do Estado, na Galiza as enquisas amosan un partido que retrocede posicións en relación coas eleccións galegas de 2020 e cunha importante debilidade nos núcleos urbanos. As municipais serán unha proba para o PP e sobre todo para Rueda. | As campañas electorais das locais son propicias para as empresas de sondaxes. Se nos meses previos aos comicios as formacións políticas adoitan encargar estudos para coñecer a opinión cidadá e mesmo para definir o cabeza de cartaz, nas datas próximas ás eleccións adoitan contratar enquisas para analizar a intención de voto e como lles vai no proceso. Avalancha de enquisas O PSdeG e o PP teñen encargado nas últimas semanas un bo número de sondaxes a diversas empresas. A práctica totalidade delas están centradas no ámbito local, por conseguinte condicionadas pola especificade de cada un dos concellos, pero a suma dos datos dos diversos estudos permite fixar as grandes tendencias electorais na Galiza. Neste sentido, non existen diferenzas entre os resultados obtidos polas diferentes compañías demoscópicas. Os trazos das sondaxes A grandes trazos, as sondaxes retratan un panorama nos ámbitos urbanos moi semellante ao actual. Así, as mesmas non outorgan ningunha posibilidade ao PP na Coruña, Compostela, Pontevedra e Vigo, delimitando un campo máis aberto en Ferrol, Lugo e Ourense. Nesta liña, as proxeccións das dúas primeiras cidades adiantan como máis probábel un resultado semellante ao actual, sendo Ourense a localidade onde o PP pode retornar á Alcaldía co apoio do actual rexedor, Gonzalo Pérez Xácome, de Democracia Ourensá. As eleccións galegas fican aínda moi lonxe pero as súas perspectivas actuais preocupan nas filas populares. Neste sentido, as sondaxes colocan o PP perto da maioría absoluta, pero cunha tendencia á baixa nun contexto de alza no conxunto do Estado e de reagrupamento do espazo da dereita baixo o paraugas dos populares. Ao tempo, o BNG segue subindo, sumando co PSdeG e Unidas Podemos para conformar un Goberno alternativo ao PP. A valoración de Rueda As sondaxes de catro empresas diferentes ás que tivo acceso Nós Diario non deixan en bo lugar a Rueda. Malia ter aumentando o seu nivel de coñecemento desde o seu nomeamento como presidente da Xunta da Galiza, a súa valoración ten caído. Tanto é así, que algúns dos dirixentes populares consultados por Nós Diario recoñecen a súa falla de tirón electoral e avanzan a necesidade dunha mudanza na súa imaxe ao fin de que a poboación o perciba como alguén máis próximo, capaz de empatizar cos seus problemas. Alfonso Rueda non será candidato nas eleccións locais de 2023 pero os comicios representarán a primeira revalida para o sucesor de Feixoo. Aínda que ninguén no PP galego quere pensar nuns malos resultados e agardan superar a porcentaxe de votos dos comicios locais de 2019, todos coinciden en que Rueda está diante da súa primeira gran proba de lume. |
NOS_39333 | Un ano máis, o destino do único equipo galego na Liga ACB está nas mans de Moncho Fernández, un estudoso do baloncesto que chegou a ser profeta na súa terra, estraña ás afeccionadas e recoñece que no deporte profesional están moito máis protexidos da pandemia que no resto da sociedade | Os bos resultados mudan o obxectivo ou continúa a ser a permanencia? Os obxectivos non son algo que se estabeleza dun día para outro. Son froito de moitos factores que teñen que ver co noso orzamento, con quen somos, quen son os nosos rivais, etc. Digamos que a revisión dos obxectivos non se pode facer cando só levamos un terzo de Liga. O que temos é que seguir traballando noutros obxectivos que veñen antes do obxectivo máximo, como é recuperar a xente mancada, seguir a facer un grupo, converter o cadro de xogadores nun equipo, desenvolver as nosas habilidades baloncestísticas o mellor posíbel... Os obxectivos máis pequenos do día a día fan que, ao final, se alcance satisfactoriamente o obxectivo final. Como consegue construír unha estrutura sólida sobre unha base de xogadores case completamente nova ano tras ano? Na súa pregunta personaliza en min, pero aquí hai un traballo de moita xente. Para conseguir transformar o cadro de xogadores nun equipo, como falabamos, hai moito traballo do corpo técnico, dos adestradores, preparador físico, fisios, médicos... da xente que non está na pista, pero que forma parte do club, que fan que a estadía dos xogadores aquí sexa a mellor posíbel, e máis nestas circunstancias. O que intentamos é buscar esa base sólida non no xogo, senón nos valores: na amizade, na xenerosidade, na solidariedade... Naqueles valores universais que, á marxe de cal sexa a túa orixe xeográfica, todo o mundo entende. Sobre isto, é moito máis doado construír despois o baloncesto. É imposíbel non preguntar sobre algo relacionado co 'monotema'. Como é o baloncesto sen público nas bancadas? Moito máis triste e diferente. Botamos moito de menos o noso público. Sabemos que están aí, que están a facer un esforzo moi grande apoiándonos económica e animicamente, pero os espectáculos -e o baloncesto é un- sen público perden moitísimo, porque a interrelación entre xogadores e bancada fai que moitas veces, en momentos de estado de ánimo nos que estás máis decaído, te levantes. Estalle provocando moitas dificultades no traballo diario -aprazamentos de partidos incluídos- a situación que está a xerar a pandemia? Como están traballando neste eido a nivel de vestiario? A pandemia afecta a todos os colectivos e nós, ao revés do que moitos poidan pensar, somos un colectivo privilexiado. As nosas condicións de traballo son excepcionais, xa que cada moi pouco tempo nos fan probas de control da nosa saúde, e estamos moito máis protexidos. Sentímonos privilexiados neste momento no que todo o mundo está a sufrir. En canto ao día a día, a capacidade de adaptación do ser humano din que é enorme. E nós o que facemos é adaptarnos ás novas premisas e ás instrucións dos que saben máis, dos expertos. No ámbito social e persoal si que o notas, pero no profesional estamos a traballar sen problema. Leva adestrando en Compostela, a súa terra, desde o ano 2010, e xa é un dos adestradores de elite máis lonxevos de todo o continente europeo. Neste tempo xa respondeu moitas veces á cuestión de cales eran os seus referentes, mais, segue tendo espellos nos que mirarse a estas alturas? Por suposto. E seguro que os seguirei a ter até que non sexa adestrador. Os espellos non só teñen que ver co aspecto deportivo, senón tamén co humano. Penso que a capacidade de aprendizaxe das persoas é ilimitada, e remata cando nos imos deste mundo. No meu caso, a miña capacidade de aprendizaxe segue a non ter límites, e por iso intento aprender de todo o mundo: dos compañeiros adestradores cos que comparto o meu día a día, dos técnicos dos equipos aos que me teño que enfrontar, dos doutras ligas... E no aspecto humano, segue a haber moitísimos referentes nos que fixarme. Non obstante, o seu contrato finaliza no verán de 2021. Será entón tempo da, se non me equivoco, quinta extensión de contrato ou o momento de explorar novos horizontes? Cando chegue ese verán, en 2021, veremos que sucede. Xa para finalizar, que opinión lle merece o polémico sistema de ascensos á Liga ACB? Ningunha. A aquilo que non depende dun mesmo, como sempre digo, non lle dou voltas. Supoño que aqueles que estabelecen os sistemas de ascensos o farán baseados en premisas e reflexións que a min se me escapan totalmente. |
NOS_51862 | A Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) reclamou que se suprima o galego como criterio de baremación á hora de obter subvencións públicas para cursos dirixidos a formar persoas no paro.''É un absoluto desprezo, xa non só polo galego, senón por Galiza'', din desde a Mesa pola Normalización Lingüística. | A patronal galega non gosta de que o galego sexa un dos baremos que se piden desde a administración galegas para poder acceder a subvencións para cursos destinados á formación de persoas desempregadas. Afirma que iso, o de garantir que o galego poida ser utilizado para impartir estes cursos, implicaría o risco de perder calidade e eficiencia na prestación formativa, segundo recolle 'La Opinión de A Coruña'. Por iso solicita que se suprima toda referencia ao idioma propio de Galiza como baremo. A petición da CEG é para Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, un triste exemplo máis da pervivencia de "prexuízos continuados" a respecto do galego entre a patronal, "que non beneficia xa non o galego, senón a Galiza". Maceira lamenta que a CEG manteña un 'complexo'' sobre o idioma e advirte que mesmo lle pode xerar inconvenientes a eles propios, pois o consumidor pode ver nos seus produtos eses prexuízos deses empresarios sobre o idioma. Maceira sinala que eses cursos autonómicos de formación impártense en Galiza e que a poboación non ten dificultades para entender o galego. Se considera que é así, aconsella o presidente da MNL á CEG, pode dirixirse á Xunta para que repoña o profesorado Celga -galego para adultos- que despediu. Por último, remarca o paradoxal de que a CEG cargue contra o galego nos cursos de formación e porén si que "que collen esas axudas que se lles dan para, teoricamente, promocionar o galego". A patronal ficou soa no Consello Galego de Relacións Laborais na súa proposta. |
NOS_43080 | Centos de persoas responderon, unha vez máis, á chamada de 130 colectivos e entidades para protestar nas rúas de Pontevedra contra as corridas de touros. A pancarta detrás da que camiñaron este sábado 10 de agosto dicía: "A tortura non é arte nin cultura. Touradas fóra de Pontevedra". | A manifestación coincidiu coas Festas da Peregrina e coa feira taurina que decorre na cidade neses días, a única que sobrevive en territorio galego. "Non ao maltrato animal", "Galiza di non ás touradas" ou "Touradas fóra da Galiza" foron outras palabras de orde que se lían en cartaces e pancartas dos asistentes. Foi a actriz e comunicadora Baia Fernández a encargada de ler o manifesto da protesta, que torce pola abolición definitiva das corridas de touros. Fernández asegurou que a feira taurina de Pontevedra é un evento "decadente" e solicitou, en nome dos manifestantes, "a eliminación inmediata das axudas públicas, os privilexios e os convenios para publicitar" as touradas. Ademais, esixiu ao Parlamento de Galiza un pronunciamento "rotundo" contra as corridas e a modificación da Lei de Benestar Animal. Nesta norma as touradas son, na actualidade, excepción en casos de maltrato animal. Nota: imaxe da protesta en Pontevedra. Foto: @iscagz |
NOS_37610 | A entidade, que desde hai tempo ofrece produtos dixitais, entra deste xeito no mercado online cunha ambiciosa proposta que ofertará tanto produtos físicos (libros, discos, vídeo) como produtos en formato dixital especialmente os formatos epub. | A tenda da AS-PG ofrece unha interface web especialmente deseñada para se adaptar a todo tipo de dispositivos, como ordenadores, smartphones ou tablets. O seu catálogo dispón xa dunha ampla selección de libros, en papel e dixitais (ebooks), discos, musicais e de vídeo, de distintos xéneros, entre os que se inclúen títulos dirixidos a todos os públicos e idades. Segundo fontes da propia Asociación está tenda está moi ligada á próxima aparición, tamén en formato dixital, da Historia da Literatura Galega, publicada hai xa tempo en fascículos e completamente esgotada, sendo intención da AS-PG publicar en formato ebook boa parte da literatura galega, Para a lectura dos ebooks, a tenda da AS-PG incorpora un avanzado lector na nube integrado que permite o acceso inmediato á lectura sen necesidade de descargar nada nin instalar ningún programa adicional. Este lector ofrece as funcionalidades máis características das aplicacións de lectura, como o axuste das preferencias de usuario (tamaño da fonte, cores, interliñado etc.) ou o mantemento do estado de avance en cada libro, que ademais se sincroniza de forma automática entre os distintos dispositivos desde os que un usuario ou usuaria accede á lectura. AS-PG re-editará en formato e-book a Historia da Literatura Galega Por último, e quizais como característica máis innovadora, este lector ofrece tamén a posibilidade de almacenar internamente os libros dixitais para continuar coa súa lectura mesmo cando non se dispón de conexión á Rede. Os socios e socias da AS-PG disporán dun código persoal que lles permitirá beneficiarse dunha porcentaxe de desconto directo sobre calquera dos produtos editados pola propia Asociación Socio-Pedagóxica Galega (agás naqueles produtos que xa se atopan cun prezo en promoción). Cada socio/a tan só terá que introducir este código na primeira compra que faga e, de aí en adiante, o desconto xa se lle aplicará automaticamente en cada nova compra. Tamén se poderán obter códigos de desconto para produtos de outras editoras. Canto aos produtos físicos son enviados, sen custo, por correo ao enderezo que o comprador facilite segundo as condicións recollidas nos Termos de Uso. |
NOS_25508 | A cifra de ferid@s xa atinxe perto dun milleiro, por mor dos bombardeos contra vivendas e edificios de uso civil. Hamás informa dunha posíbel tregua a partir desta medianoite que Israel non confirma. O Estado hebreo tería desbotado --polo momento-- unha invasión terrestre que só apoiaría o 30% da súa poboación. | A operación "Alicerce Defensivo" atinxe xa 127 vítimas mortais entre a poboación palestina, a maior parte destes civís e un número importante de crianzas. Aliás, as cifras aproxímanse xa ao milleiro de feridas e feridos. Eis o balanzo da ofensiva militar de Israel contra a Faixa de Gaza, en que se contabilizan máis de 1350 ataques polo exército israelita nestes seis días, con bombardeos contra edificios civís como vivendas, estadios, centros administrativos e mesmo sedes de medios de comunicación árabes. Invasión terrestre ou tregua? Francia, Reino Unido e Alemaña fixeron tímidos movementos diplomáticos tendentes a evitaren unha invasión terrestre que só contaría co apoio dun 30% da cidadanía de Israel. Nas últimas horas varias informacións apuntan a que Israel desbotaría polo momento unha intervención militar por terra. Aliás, a mediación exercida polo presidente de Exipto, Mohamed Mursi, podería frutificar nunha tregua a partir desta medianoite, segundo informou a organización palestiniana Hamás. Porén, desde Israel negan que estea pechado tal acordo. Hamás xa anunciou previamente unha tregua que encetaría ás 20:00h e sería efectiva a partir das 23h. Reaccións internacionais A ofensiva, tachada por numerosas voces como "imperialista", mereceu xa a condena de numerosas organizacións internacionais. A Organización Mundial da Saúde, OMS, expresou estar profundamente preocupada pola situación na faixa de Gaza, no referido ao impacto "na vida e na saúde da poboación civil" desa rexión de Palestina e solicitou o envío de dez millóns de dólares en axuda. O Mercosul, integrando por doce países fundamentalmente de América Latina, condenou pola súa banda a ofensiva amosando a súa "preocupación polo uso desproporcionado da forza" por parte de Israel e instaron a que o Consello de Seguridade das Nacións Unidas interveña para frear o masacre, petición en que tamén se reiterou a presidenta do Brasil Dilma Rousseff. En termos semellantes expresouse Ban Ki-Moon. O Secretario Xeral da ONU, quen se desprazou até O Cairo (Exipto) para tentar mediar, exixiu un cesar-o-fogo inmediato. Tamén o Consello Mundial da Paz pediu a fin das hostilidades contra do pobo palestiniano. En contraste coas posicións internacionais máis comprometidas cunha solución inmediata que poña fin a agresión militar de Israel, como a expresada polo presidente turco que cualificou o Estado hebreo de "Estado terrorista", as principais potencias occidentais amosaron unha morneza que numerosas voces cualifican de "cómplice". Así, a Unión Europea limitouse a reclamar unha solución mais declinou condenar a operación bélica. A OTAN, pola súa banda, xustificou a actuación de Israel afirmando "ter dereito a defenderse" malia pedir que o faga con "contención", en termos case calcados aos utilizados por portavoces da administración norteamericana de Barack Obama. Reclaman que o Estado español actúe para frear o "xenocidio" Na mesma liña o presidente do goberno español, Mariano Rajoy, limitouse a pedir "moderación" nas accións militares do Estado sionista. Neste sentido, o BNG vén de solicitar no Congreso a comparecencia do ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel García Margallo, para lle pedir contas das xestións realizadas polo executivo central a nivel europeo e internacional para poñer fin á situación en Gaza. As deputadas nacionalistas, Olaia Fernández e Rosana Pérez, xustificaron esta solicitude para forzar ao ministro a explicar se o goberno español "condena ou non os ataques de Israel e se está decidido a desempeñar un papel activo para evitar máis mortes de inocentes na faixa de Gaza". "A Comunidade Internacional e a UE non poden seguir impasíbeis perante o que está perpetrando Israel que ten o perfil dun auténtico xenocidio. Desde logo, ten que parar as ansias de Netanyahu de proceder a unha invasión terrestre con tanques que provocaría moitas mortes" acrecentaron. A fronte nacionalista anunciou tamén que participará dos actos do Día Internacional de Solidariedade co Pobo Palestiniano que terán lugar en Madrid esta cuarta feira. O BNG xa fixo parte, xunto a outras organizacións políticas, sindicais e sociais, das concentracións convocadas a segunda feira en doce cidades e vilas de Galiza para condenaren a agresión e onde se reclamou que o Estado poña fin ás relacións diplomáticas e económicas con Israel. |
NOS_11296 | Unha xornada de folga e unha manifestación en Compostela mostran o rexeitamento de persoal e usuari@s ao desmantelamento do 065. O PP anunciou o despedimento do conxunto do persoal e que deixaría fóra do servizo a boa parte das persoas usuarias. | Folga e manifestación en Compostela foron as mobilizacións que esta sexta feira mostraron a oposición do persoal do 065 e tamén de moitos usuari@s ao desmantelamento do servizo de transporte de persoas con discapacidades . As mobilizacións quixeron denunciar tanto o desmantelamento como o despedimento de persoal con contrato indefinido, experiencia e contratos por convenio para os mjdar por persoal en precario. A manifestación de Compostela rematou cunha concentración diante da Consellaría de Traballo na que se reclamou a suspensión do novo concurso e que o servizo continuase nas condicións que o viña a facer ate agorao tempo necesario para que se acade o máximo consenso entre as partes afectadas. O responsábel do sector Transportes da FGAMT-CIG, Xesús M. Pastoriza explicou que, segundo información que lles foi trasladada por representantes a consellaría, o novo plan vai dividir en tres bloques o servizo actual con grandes recortes e deixando fóra a unha parte das persoas que actualmente son usuarias. O primeiro mantería o perfil do 065 actual só que se reduciría o número de autobuses á metade facendo transporte a demanda, só ate tres viaxes por semana como máximo por persoa. Un segundo bloque incluiría o transporte ás asociacións mediante copagamento por parte de usuari@s. Os Centros de Día quedarían sen transporte ningún. A CIG denunciou que o conxunto do persoal do 065 recibiu xa a comunicación de finalización do contrato. Por outra parte, Pastoriza advertiu tamén que o PP vai substituír "traballadores con contrato indefinido, salario por convenio e, o que é máis importante, cunha experiencia e unha formación específica para tratar con persoal dependente por traballadores/as con contratos en precario, cobrando menos salario e, sobre todo, con falta de formación". |
NOS_11567 | Presentada por Enfermeiras eventuais en loita e BNG. | A Comisión de Peticións vén de confirmar a admisión a trámite da denuncia presentada polo BNG e o colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita sobre a precariedade laboral existente na profesión de enfermería, consecuencia das prácticas abusivas e a contratación en fraude de lei que leva realizando o Goberno galego durante anos. Así o afirma o BNG, que explica que esta denuncia recolle abundante documentación da situación e lembra que foi entregada á vicepresidenta da Comisión de Peticións, Tatjana Zdanoka, durante unha xornada de traballo organizada pola representante nacionalista en Europa, Ana Miranda o pasado mes de decembro. "A investigación preliminar que levará a cabo a Comisión Europea sobre a precariedade na profesión de enfermería supón un tirón de orellas a Feijóo sobre o modelo de xestión do Sergas", di Miranda. Afirma que é grazas á visita do colectivo Enfermeiras en Loita e o apoio da Vicepresidenta da Comisión de Peticións que a denuncia é admitida, "porque é demasiado escandaloso o grado de precariedade que existe no sistema sanitario galego e non podían negarse". Neste mesmo sentido exprésanse dende as Enfermeiras Eventuais en Loita, quen sinalan que "aínda que pendente dos resultados da investigación preliminar, que a Comisión de Peticións vaia facer unha investigación sobre a precariedade na nosa profesión non deixa de ser unha xerra de auga fría sobre a xestión de recursos humanos do Sergas". |
NOS_45376 | A Plataforma Feminista Galega participou na mobilización masiva que percorreu as rúas do centro de Madrid. "Contra as violencias machistas" foi o lema co que a plataforma se fixo ver e oír entre a multitude. | As mulleres galegas sumáronse á marcha estatal que converteu Madrid nunha maré lila. Co lema "Contra as violencias machistas", a Plataforma Feminista Galega quixo denunciar todas as formas de violencia que sofren as mulleres e para reivindicar que "o terrorismo machista sexa unha cuestión de estado". Aínda non hai datos oficiais de participación na mobilización, da que formaron parte 300 colectivos a nivel estatal, mais o certo é que foron varios milleiros de persoas as que acudiron á protesta. Entre as asistentes, houbo unha nutrida representación do Observatorio da Mariña pola Igualdade, que portou unha faixa propia coa consigna "Defendamos a igualdade. Fronte á violencia machista, loita feminista". O Observatorio da Mariña pola Igualdade valora a manifestación multitudinaria "como un éxito do movemento feminista". "Agardamos que as demandas desta marcha comezen a poñerse enriba da mesa e a traballar por dar erradicar esta barbarie impropia de calquera sociedade democrática", sinalou. Con motivo do 25 de novembro, edificios públicos galegos vestiranse con pancartas contra a violencia de xénero para visibilizar a loita contra o machismo e por unha igualdade real. O Concello de Pontevedra, de cuxa casas consistorial pende desde hoxe e até o 27 de novembro unha faixa co lema "Contra todas as violencias machistas", é unha das institucións que se sumou a esta iniciativa, ao igual que o Concello de Lalín. |
NOS_3857 | A galegofobia en determinados círculos vai camiño de ser un clásico do verán galego. A chegada do turismo español a Galiza adoita vir acompañado de ataques aos sinais de identidade do país por parte dalgúns deles, que aproveitan as redes sociais para atacar mesmo establecementos que usan o galego. | As redes sociais son un bo termómetro da agresividade dun sector do turismo español contra o galego. A este respecto, destacan os comentarios difundidos en Twitter e Facebook por cidadáns, moi particularmente de orixe madrileño, de visita na Galiza, que critican o emprego do idioma propio do país nos sinais, nos edificios públicos ou nos establecementos comerciais. Neste sentido, resultou significativa a resposta de Diego Pazos, que acadou máis de 1.500 rechouchíos en Twitter e rematou por converterse en tredindg topic o pasado 20 xullo. "Non vos gustan os carteis galegos na Galiza?. Non veñades", espetou Pazos, nun comentario seguido por outros moitos na mesma liña. As mensaxes de conformidade co chío de Pazos chegaron de diversos puntos do Estado, nomeadamente dos Països Cataláns, onde algúns xornais deron conta da polémica aberta na Galiza e do alcance do problema. Sen ir máis lonxe, El Nacional non dubidou en cualificar a opinión de Pazos "como un consello de grande utilidade" e "un xeito moi práctico e económico de evitar trastornos: os propios e os alleos". 'Querido mesetarián' A presión 'galegófoba' notárona, tamén, nestes días criadoras de contidos, como a influencer galega, Fatima Barros. Precisamente, Barros respondeu nas súas redes sociais a aqueles que desde fóra da Galiza a criticaran por non empregar o español e a convidaran a abandonar o galego como lingua de expresión. "Querido mesetarián nas miñas redes voume expresar como me dea a gaña", aseverou Barros, quen lembrou que "paso por aquí porque vexo unha tendencia dos mesetarios a pedir aos criadores de contido que somos doutras comunidades autónomas, que cambiemos da nosa lingua ao español para que se sentan máis cómodos". Querido mesetarián, nas miñas redes voume expresar no idioma que a min me de a gana 🙋🏼♀️ pic.twitter.com/THtCP1QRNA— Fátima Barros (@paxarinhatuitea) July 30, 2021 "E eu desde aquí digo: querido mesetario, non tes dereito a pedirme que cambie a miña forma de expresarme. Se te interesa o contido, perfecto. É moi fácil entenderme. E se non te interesa, pois non pasa nada. Pero nas miñas redes exprésome como a min me dá a gana. No idioma que a min me dá a gana", concluíu Barros, nunha mensaxe que resultou viral nas diversas plataformas onde publica as súas creacións. Na mesma liña que o chío de Pazos a mensaxe de Barros traspasou fronteiras, sendo partillado e aplaudido desde Catalunya, Euskadi, Francia ou Portugal. A extensión de mensaxes galegófobas está directamente ligado ao auxe das redes sociais e ao avance das posicións ultras e chauvinistas na España cultural, cada día máis agresiva contra as outras identidades nacionais existentes no Estado. Nesta liña, non é casual que un dos criadores dun bulo nas redes sociais contra a suposta discriminación na Galiza dos turistas españois sexa Marcial Cuquerella. Antigo director xeral do grupo Intereconomía, propietario dun grupo de comunicación ligado a Vox e persoa de confianza de Santiago Abascal afirmou en Twitter o 23 de xullo que se negaron a reservarlle mesa nun restaurante de Ferrol por non ter acento galego. 'Unha doenza crónica' A galegofobia fai parte do proxecto español máis ultra. Neste sentido, o profesor Alexandre Péres Vigo, autor dunha tese de doutoramento sobre o tema, que ten merecido a máxima cualificación da Universidade da Coruña, sinala a Nós Diario que "a galegofobia como unha doenza crónica, non só aflora cada certo tempo, senón que leva presente décadas e séculos no pensamento colectivo español. Transmitido xeración tras xeración e perpetuado na sociedade española a través da literatura, dos mass media e da propia linguaxe coloquial". Hoxe, mantén, a pesar da súa atenuación, "e da forzosa continencia que esixe a corrección política, a galegofobia segue a comportar un fenómeno que marca as relacións galego-españolas", afirma Péres Vigo, quen lamenta que "parece gozar de tal normalidade que apenas ocupa de cando en vez reflexións na prensa galega". A orixe da galegofobia vén de lonxe, sinalando Péres Vigo que "malia que a súa aparición semella unha creación do século XVII, pola súa forte presenza nos traballos literarios dos autores do denominado Século de Ouro español, a súa construción é anterior, asociándose o seu nacemento ao proceso histórico de incorporación subordinada da Galiza ao espazo castelá a mediados do século XIII". Péres Vigo apunta ao S.XIII como o momento xerminal da galegofobia, "porén dun xeito aínda incipiente", que se agudiza tras o fracaso da rebelión galega contra Castela do século XIV e a súa conquista definitiva a finais do século de XV polos Reis Católicos. "Reactívase cos Reis Católicos", sinala, e lembra que "con anterioridade os galegos eran presentados como rebeldes ou bárbaros". "Desprezo relativo a Galiza e as súas xentes" Péres Vigo define a galegofobia como "o odio e desprezo ao relativo a Galiza e as súas xentes". Neste liña, é considerada por toda unha corrente de pensamento como parte do discurso de acompañamento da construción da identidade española nos últimos cinco séculos. Noutros contextos e niveis, aspectos desa corrente perviven en determinados sectores a día de hoxe. |
NOS_22081 | O proxecto recala na vila vasca procedente de Galiza, onde armou festa de convivio e diversidade en Rianxo. | Errentería acolle a derradeira singladura de Tosta 2016, o proxecto de diversidade lingüística e cultura entre nacións atlánticas que ao longo destes meses percorreu Galiza, Irlanda, Frisia, Cornualles, Escocia e Gales para chegar agora á Euskal Herria no marco do Festival Atlantikaldia. O proxecto Tosta, promovido por Donosti 2016 Capital Europea da Cultura, contou coa participación galega da Mesa pola Normalización Lingüística co apoio da Área de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña e o Concello de Rianxo. Rianxo foi a vila galega que acolleu o proxecto do 9 ao 11 de setembro. En Errentería estará do 22 ao 26 de setembro e nel mostraranse os traballos das diferentes artistas que participaron en intercambios culturais. No caso galego, a música Belén Tajes recolleu e mesturou cancioneiro galego e irlandés, e a artista plástica galesa Luned Rhys, elaborou diferentes pezas baseadas na súa experiencia en Galiza. A Banda Tosta con participación de artistas en linguas minorizadas, mostrará a través da música a diversidade lingüística. A música galega estará representada no Tosta 2016 por Mónica de Nut e Luís Martíns que oferecerán un concerto o sábado. Unha mesa redonda analizará na sexta feira (venres), 23 de setembro, a situación das linguas minorizadas en Europa e contará coa presenza do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, que tamén participará nun encontro coas sete entidades de Euskalherría, Gales, Irlanda, Frisia, Cornualles, e Escocia que participaron no proxecto e onde explorarán novas experiencias conxuntas para espallar e compartir a reivindicación das respectivas linguas unidas polo Atlántico. Este acto coincide coa celebración do Día Europeo das Linguas o 26 de setembro. |
NOS_42671 | A súa obra, 'A tribo do mar', foi seleccionada polo xurado por "enfiar diferentes voces para amosar un relato que recolle a realidade actual da emigración". | O xurado do XVI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña, vén de elixir gañador o escritor Lois Pérez, autor detrás da plica da obra escollida, A tribo do mar, presentada co lema 'Ouh licor de páncreas augamel'. O xurado salientou que a obra gañadora está conformada "por diferentes voces que se enfían para amosar un relato que recolle a realidade actual da emigración", segundo explicaron após facer público o seu veredicto esta segunda feira. Tamén salienta que A tribo do mar está narrada "cun estilo áxil e atractivo para o público xuvenil ao que vai destinada". O xurado estivo composto pola gañadora da anterior edición, Andrea Maceiras, e máis polas autoras Fina Casalderrey, Antía Yáñez, Erica Esmoris e Marcos Calveiro. O deputado responsábel de Cultura, Xurxo Couto, presidiu o xurado, que tamén contou coa presenza da comisaria dos premios literarios da área de Cultura, Susana Pedreira. Neste certame foran seleccionadas para pasar á final, canda A tribo do mar, as obras tituladas Rolando un fío resistente, que concorreu baixo o lema 'Pereiro', Escola de bruxas, de 'Cretáceo'; Nave, de 'Néboa'; Pernascochas, de ídem; Rara Avis, de 'Raposo'; Cinema avenida, de 'Ruth-Anne Miller'; Ánxela e Spencer, de ídem, e A botella de lentellas, de 'Alba Recunqueira'. Este certame literario naceu "coa vontade de fomentar a creatividade literaria dirixida ao mundo dos máis pequenos e de facer memoria desta personaxe de lenda vinculada ás terras de Compostela". A edición anterior foi parar a Andrea Maceiras Lafuente por Que se me pare o corazón se te esquezo, mentres en 2020 gañou Xosé Antonio Neira Cruz, con O enigma de Santiago, e no ano anterior, 2019, Valentín Alvite Gándara, por Antía e Daren. |
PRAZA_10906 | A vaga de lume queimou xa unhas 1.100 hectáreas nos últimos días en Galicia | A última hora da tarde deste domingo, eran sobre 1.100 as hectáreas que foran arrasadas por esta primeira vaga de incendios do verán, segundo os datos facilitados pola Consellería do Medio Rural. O que se iniciou na parroquia de Oleiros, en Ribeira, e que afectou o municipio veciño de Porto do Son permanece activo pero xa controlado, aínda que cunha "evolución favorable", tal e como indica a Xunta. O incendio en Ribeira permanece activo pero xa controlado, aínda que "evoluciona favorablemente" tras queimar xa unhas 175 hectáreasQueimou xa unhas 175 hectáreas, a falta dun balance definitivo, e no intento de control do lume están mobilizados 23 axentes, 40 brigadas, 24 motobombas, 2 pas, 9 helicópteros e 5 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).Controlados, pero aínda sen extinguir, permanecen os incendios en Monforte de Lemos (o máis importante do que vai de verán, con 465 hectáreas arrasadas) e Lobeira (150 ha), este último rexistrado no Parque Natural do Xurés.As lapas foron xa extinguidas en Fisterra, logo de que queimasen máis de 134 hectáreas; en Cenlle, cunhas 46 afectadas, e en Zas-Muíño, que afectou, segundo as últimas medicións, 20,9 hectáreas. Ademais dos incendios dos que informa a Consellería do Medio Rural, outros focos máis pequenos prenderon en Ribas de Sil, Boiro, Palas de Rei, Arteixo, Cangas, Rodeiro, Taboada ou Viana do Bolo durante as últimas horas. Así, na tarde deste domingo, un incendio forestal declarouse en Culleredo, preto do aeroporto coruñés de Alvedro, afectando monte baixo. Na súa extinción traballan dous axentes, seis brigadas, catro motobombas, unha pa e catro helicópteros. Por outra banda, a Xunta informou xa o sábado sobre o achado de artefactos incendiarios localizados por parte dos profesionais do Servizo de Prevención e Defensa de Incendios Forestais de Galicia (SPDCIF) en varias zonas que sufriron incendios e de que xa hai sospeitosos sobre o foco que se ijniciou en Ribeira. Ademais, o conselleiro de Medio Rural, José González, aclara que houbo 16 incendios de noite, cando non podían actuar xa os medios aéreos, o que leva a pensar que foron intencionados. Segundo as previsións do Goberno galego, as condicións meteorolóxicas actuais prorrogaranse durante toda a fin de semana, polo que o risco extremo de actividade incendiaria manterase polo menos ata este domingo. Principais incendios declarados en Galicia desde o pasado 5 de setembro, segundo as imaxes de satélite do sistema Copernicus recollidos por 'Educación Forestal'. Serían 11 incendios que afectaron máis de 1.200 hectáreas |
NOS_35761 | A Real Academia Galega dá un xiro cos tres nomes das candidaturas das que, o vindeiro 4 de xullo, sairá a que se lle dedicará o Día das Letras Galegas. Se o pasado ano, a elección de Filgueira Valverde verqueu duras críticas sobre a institución, desta volta, teñen, pase o que pase, as palmas aseguradas. | Sexa quen for das tres candidaturas a que finalmente o vindeiro día 4 acade o maior número de votos de académicos e académicas, o que están asegurados son os parabéns para unha institución que aguantou como puido un ano ensombrecido polo pasado vencellado ao franquismo de Xosé Filgueira Valverde. Calquera dos tres nomes que a propia Academia Galega, nun acontecemento tamén inusual, anuncia como candidaturas presentadas cos avais necesarios ten detrás un amplo apoio social que respaldará a elección que se produza na rúa Tabernas. O profesor, investigador e escritor Ricardo Carvalho Calero é, sen dúbida, o capítulo pendente da Academia. Durante moitos anos, os requirimentos para que se saldase a débeda co profesor sucedéronse e mesmo na pasada edición, Carvalho conseguiu, cando menos, ser valorado no debate final. A defensa de Carvalho Calero do reintegracionismo é o atranco que impide a moitos dos académicos e académicas apoiar unha candidatura que, dalgunha maneira, iría contra a filosofía das normas da propia institución. No último ano, sentíronse xa voces que reclamaban, pola contra, deixar de petar na férrea porta de Tabernas e conmemorar ao profesor máis alá da Academia, convencidas de que aínda non é o momento de que Carvalho Calero a atravese. Coa memoria tan próxima "Desta volta, sexa cal sexa a candidatura gañadora, a RAG ten as palmas aseguradas" Canto a Manuel María, o poeta foi xa un dos nomes que se barallaron con forza na anterior edición, cando xa se cumprira unha década da súa morte. O que fora tamén académico tería ao seu favor, alén da súa propia obra, ser un referente da nosa cultura no pasado século, un dos escritores que máis foi cantado e que pode dar máis xogo nos centros de ensino en todos os seus niveis. Por outra parte, non hai que esquecer a condición de Manuel María de activista da lingua e a cultura, condición que se fai especialmente acaída no noso tempo, en especial, nas novas xeracións nas que se está a perder o uso do galego. Finalmente, a figura de Manuel María conta desde hai dous anos coa Casa Museo en Outeiro de Rei, sede da Fundación que leva o seu nome, un centro na Terra Chá que se convertería, de se dar na circunstancia, en lugar de referencia para as conmemoracións durante todo o ano. A propia personalidade do escritor, comprometido, afábel e especialmente sociábel, engade unha virtude máis a súa candidatura, a de ter en activo moitos amigos e amigas, en especial do mundo das letras, que se comprometerían intensamente no seu ano. Finalmente, da poeta Xela Arias, proposta tamén o pasado ano, tense dito que, cando saíra elexida, podería provocar un ano dinámico como o que resultou cando a Academia apostou por dedicarllo a Lois Pereiro. Xela Arias tería agora tan só 53 anos e converteríase na autora máis nova, en todo caso a de menos tempo entre o seu nacemento e o seu Día das Letras, de se dar o caso. Finada en 2003, a autora converteuse en poeta de culto nas novas xeracións o que, canda a súa condición de tradutora, podería darlle enerxía a unha celebración que amosou no último ano a súa face máis lánguida. Non hai que esquecer que desde o feminismo e, concretamente, desde o feminismo literario, repetíronse ás críticas das poucas veces que a Academia mira para as mulleres para a súa grande data e, sen ir máis lonxe, neste último A Fondo de Sermos Galiza dedicado a Mª Vitoria Moreno, a escritora Susana Sánchez Aríns reivindicaba a figura de Xela Arias para o Día das Letras galegas. Pase o que pase cando o vindeiro 4 de xullo se reúna o plenario da RAG, a ninguén se lle escapa xa que a institución deu un xiro sobre os seus pés. Cada unha das candidaturas foi xa barallada na pasada edición, mais, desta volta, de todos os nomes que entón se sentiron resisten os tres que máis apoio social poden recibir. Caeron aqueles que, por máis eruditos ou descoñecidos, serían recibidos sen grandes entusiamos e garanten coa súa tripla aposta que o vindeiro sábado haberá palmas no mundo da cultura pola decisión de Tabernas. Sexa cal for. |
NOS_34694 | Interpelada polas zonas contaminadas por nitratos, a Xunta aduce que para proceder a esa declaración "necesítase previamente" unha declaración estatal. | O BNG censurou este mércores no Parlamento da Galiza a xestión ambiental da Xunta na comarca da Limia, afectada por altos niveis de nitratos e que non conta con zonas declaradas vulnerábeis a este respecto. Segundo esgrimiu o Goberno galego, para iso "necesítase previamente" a declaración de masas de auga afectadas, "de competencia estatal". Nunha interpelación ao Goberno, o nacionalista Xosé Luís Rivas 'Mini', afeou ao Executivo "ser consciente en todo momento da situación", dado que "o BNG xa rexistrou varias iniciativas para reclamar ao Goberno galego medidas que freen unha futura declaración de 'zona vulnerábel' por parte de Europa. Declaración de vulnerabilidade "Neste momento pende sobre a comarca da Limia unha posíbel declaración de vulnerabilidade por parte do Tribunal de Xustiza de Europa após unha denuncia da Comisión europea", remarcou o nacionalista. Con isto, explicou, os produtos xerados pola agricultura e gandaría da Limia "corren un grave risco, xa que non gozarán da excelencia pola que son coñecidos". Para os nacionalistas isto débese ao "abandono" e "desidia" das políticas do PP, "que non deixa de botar balóns fóra e deixar correr o tempo". A resposta da Xunta José González, conselleiro de Medio Rural, explicou que se Galiza non ten declaradas zonas vulnerábeis por contaminación por nitratos "é debido a que previamente é necesaria a declaración de masas de augas afectadas, que no caso da Limia corresponde ao organismo de conca adscrito ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico", é dicir, á Confederación Hidrográfica Miño-Sil. O conselleiro lembrou que a pasada segunda feira, no Consello Consultivo, trasladoulle ao ministro de Agricultura, Luís Planas, "que a principal necesidade dos gandeiros galegos, ademais de facer fronte á prohibición da venda a perdas, é resolver a problemática da xestión dos xuros". |
NOS_35670 | Vía Galega lanza a edición dun pasaporte galego personalizado para celebrar o Día da Patria Galega. Para facerse con el cómpre asinar o manifesto desta plataforma social pola defensa dos dereitos nacionais da Galiza e poderase recoller no posto que Vía Galega terá no Festigal o 25 de xullo. | Con motivo do Día da Patria Galega a plataforma social pola defensa dos dereitos nacionais da Galiza Vía Galega editará un pasaporte galego co que reivindicar a cidadanía dunha nación soberana. Aquelas persoas que asinaran a través da web ou fisicamente o manifesto lanzado pola plataforma Vía Galega e titulado 'Somos unha nación. Temos dereitos. Fagamos ouvir a nosa voz' poderán recoller o seu pasaporte no posto do Festigal o 25 de xullo, segundo sinala Suso Seixo, coportavoz da platafoma, a Sermos Galiza. Así mesmo, a realización do pasaporte tamén poderá ser in situ para aquelas que desexen asinar o manifesto no posto que a entidade terá no Festigal, que é a festa musical e política que organizan con motivo do Día da Patria Galiza Nova, a Fundación Galiza Sempre e a Comisión Festigal, e que ten lugar no campus Vida de Compostela. O pasaporte está personalizado, pois ademais de contar coa numeración correspondente coa sinatura do manifesto, terá unha fotografía carné. A capa levará o deseño da Serea de Castelao mentres que a contraportada conterá a letra do Himno Galego. Outras actividades que a entidade desenvolve con motivo do 25 de xullo é a edición dun segundo boletín onde se analizará a situación política xeral e da Galiza. Tamén tratará o empobrecemento, a problemática da precariedade e falta de oportunidades laborais relacionadas coa dependencia que empurra o pobo galego á emigración. Así mesmo o novo boletín achegará a incidencia da Xeración Nós e conterá un outro artigo sobre a carta de dereitos do pobo galego. Durante o desenvolvemento do Festigal, o 25 de xullo ás 18 horas, terá lugar unha palestra organizada pola plataforma e que versará sobre a construción nacional desde a perspectiva dos movementos sociais coa participación de Paulo Carril, secretario xeral da CIG, que achegará unha perspectiva desde o sindicalismo nacionalista; Ximena González do movemento feminista, Virxina Rodríguez, como presidenta de Adega, achegará unha visión desde o movemento ecoloxista e participará máis unha persoa representante dos centros sociais, o movemento cultural e de defensa da lingua. A campaña marco en que Vía Galega realiza estas actividades leva por lema "Galiza Nación. Autodeterminación" cunha imaxe gráfica contén a serea deseñada por Castelao e empregarase en cartelaría e pasquíns que se distribuirán ao longo da nación. |
PRAZA_15573 | Presentouse o Espazo Parlamentar pola Defensa dos Animais, no que participan representantes dos tres partidos da oposición. Buscarán a reforma da Lei de protección animal, que data de 1993, e loitarán contra "a explotación animal como espectáculo" en circos ou acuarios. | O Espazo Parlamentar pola Defensa dos Animais (EPDA) é unha plataforma de traballo creada xa na lexislatura anterior co obxetivo de servir como bancada animalista no Parlamento galego. Antes do 21-O deputados de PSdeG-PSOE e BNG xa integraban este grupo e neste novo periodo parlamentario incorpóranse a eles representantes de AGE. O Espazo Parlamentar pola Defensa dos Animais traballará contra a presenza de menores nos espazos taurinos e contra a celebracións destes eventos con apoio económico da Xunta O EPDA presentou este mércores as súas liñas de traballo para esta lexislatura, que continuarán os xa iniciados na anterior. En rolda de prensa o portavoz da Asociación animalista Libera, Rubén Pérez Sueiras, acompañado de Patricia Vilán (PSdeG), Antón Sánchez e Eva Solla (AGE), e Ana Pontón e Carme Adán (BNG), explicou que as próximas iniciativas parlamentarias deben incidir na loita contra o maltrato animal, o abandono de animais domésticos, o comercio ilegal de mascotas e denunciar a matanza de lobos e pexas nos cabalos. O Espazo Parlamentar pola Defensa dos Animais traballará ademais contra a presenza de menores nos espazos taurinos e contra a celebracións destes eventos con apoio económico da Xunta, un aspecto sobre o que o BNG xa presentou algunha iniciativa no Parlamento. Pérez Sueiras salientou que debe ser reformada a Lei de protección animal, que data do ano 1993 e debe ser adaptada ao século XXI Pérez Sueiras salientou tamén que nesta nova lexislatura debe ser reformada a Lei de protección animal, que data do ano 1993 e debe ser adaptada ao século XXI. O portavoz de Libera aludiu finalmente ao traballo destinado ao control das condicións de vida dos animais en circos e acuarios e rexeitou "a explotación animal como espectáculo". |
NOS_32075 | Concentracións e marchas percorreron varias cidades galegas para denunciar os ataques israelís en Gaza. ''Non é unha guerra, é un xenocidio'', lema e sentimento máis presente. | O día que o contador de mortos en Gaza supera os 180 e o de feridos os 1.100, varias concentracións e manifestacións decorreron en cidades galegas para rexeitar os ataques israelís e solidarizarse co pobo palestino. De tan pronunciada, a famosa frase de Neruda corre risco de facerse 'cliché' (a solidariedade é a tenrura entre os pobos). Mais non con Palestina. O exército israelí leva sete días do que el gosta de chamar 'ofensiva' (e así lle chaman tamén gobernos occidentais, medios...) e @s manifestantes insisten en denominar 'xenocidio'. "Non é unha guerra, é un xenocidio", foi un dos lemas dos actos desta segunda feira. Máis de 17.000 palestinos fuxiron nestas horas das súas casas para evitar ser obxectivo do Exército israelí. Un 'éxodo', por máis que de dese Tel Aviv queren en exclusiva esa palabra para se referir a acontecementos do pobo xudeu. Solidari@s galeg@s sairon á rúa en apoio de Palestina mentres Israel barallaba comezar xa a 'ofensiva' terrestre. Reclaman o dereito á lexítima defensa. Ampáraos a 'comunidade internacional'. A palestina só lle queda a solidariedade. Como a das (pequenas, si, moi pequenas) manifestación desta segunda feira. |
NOS_10957 | A Área de Cultura abriu o prazo de admisión de solicitudes para que as e os artistas presenten candidaturas ao apartado musical. As residencias tamén serán literarias. | A área de Cultura da Deputación da Coruña vén de pór en marcha a iniciativa de Residencias Artísticas Mariñán. A proposta busca promover a creación musical e literaria en galego este 2022. "Trátase", en palabras do deputado de Cultura, Xurxo Couto, "dun formato único e moi novidoso para aproveitar un espazo singular como é Mariñán e poñelo ao servizo de procesos de creación artística". Couto incide ademais en que "esta nova iniciativa está concibida para dar cabida a toda a diversidade cultural do momento, polo que estamos a falar de convocatorias abertas e cunhas bases que permiten a concorrencia de todo o tecido creativo que temos no país a día de hoxe". Residencias musicais abertas Desde onte e até o 19 de abril, permanecerá aberto o prazo de solicitudes para que bandas ou artistas presenten propostas para participar nas residencias dedicadas á produción musical. Ao abeiro desta convocatoria, seleccionaranse catro proxectos do ámbito musical para desenvolver a súa residencia creativa no Pazo de Mariñán. Cada residencia terá unha duración máxima de 7 días, das cales dúas se desenvolverán no mes de maio e dúas no mes de novembro. As propostas presentadas poderán corresponderse con calquera estilo musical e deberán estar compostas de repertorio propio, agás as baseadas na música tradicional, e a lingua principal deberá ser o galego, aínda que tamén poderá haber presenza doutros idiomas. A residencia inclúe a dotación material necesaria para o desenvolvemento do proxecto, tales como os espazos axeitados no Pazo de Mariñán, manutención e aloxamento para as persoas participantes e equipamento técnico; así como un acompañamento e seguimento do proxecto por parte da comisaria das residencias que ten por obxecto facilitar a viabilidade da proposta e a súa inserción no contexto musical profesional, para o que se facilitará formación específica para a profesionalización e a distribución do proxecto e xuntanzas con axentes culturais e programadores. Na estadía experimental do pasado ano participaran grupos como Tanxugueiras, Caldo, Oîma, Caamaño & Ameixeiras e os luthiers Jose Catoira e Pablo Sánchez Otero. |
PRAZA_4905 | O líder de Iniciativa per Catalunya, de visita en Galicia co gallo da Asemblea Nacional do Espazo Ecosocialista, aposta pola "unidade" da esquerda cara ás eleccións europeas e no contexto do "cambio de réxime" no Estado. Partidario do dereito de autodeterminación e do referendo catalá, mantén que "o PP é unha fábrica de independentistas". | Joan Herrera, (Barcelona, 1971), visita Galicia como parte da delegación de Iniciativa per Catalunya Verds que participa na II Asemblea Nacional do Espazo Ecosocialista Galego, este sábado 22 en Compostela. Nun contexto de "fin de réxime" reitera a necesidade de "sumar forzas" para "gañarlles aos partidos que nos queren desmontar a vida". Co debate territorial catalán en plena efervescencia o líder de ICV amósase abertamente favorable ao dereito de autodeterminación e lamenta que PP e PSOE fixen posición "mirando cara a Rosa Díez, porque mirando cara a Rosa Díez non se constrúe nada". Ao seu xuízo, a aposta catalá polo dereito a decidir debe servir para "rexenerar" o conxunto do Estado. Iniciativa per Catalunya está inmersa nunha estratexia a prol da unidade da esquerda, tanto para as eleccións europeas como a longo prazo. É ICV moi ilusa ou ten datos obxectivos para pensar que agora poden conseguilo? Non é unha cuestión de ser ilusos, senón de facer unha boa lectura do momento histórico no que estamos. Estamos nun escenario de cambio total do contrato social. Hai un libro de Josep Fontana, O futuro é un país estraño, no que explica esa ruptura do contrato social, a falta de respecto e mesmo a falta de medo ás clases populares. Cómpren solucións excepcionais ante unha situación excepcional. Produciuse noutros momentos e noutras latitudes, en Uruguai coa Fronte Ampla, por exemplo. Se non é agora, cando? Eu non creo que sexa o momento de nos desputar dous deputados máis ou menos, da loita pola hexemonía no seo da esquerda, que se poden entender noutro momento histórico, pero non agora. Nós facemos esa proposta, froito dunha análise na que cremos que nos están a quitar o máis básico, dereitos que ninguén discutía. Nós temos un proxecto político consolidado, non facemos esta proposta dende a debilidade. Facémolo dende unha relativa fortaleza porque cremos que é o que toca. Nese esquema colle ERC? Gustaríame que fose posible que estivese ERC. Pero Esquerra está noutra lóxcia, na que é quen de intercambiar recortes polo chamado proceso nacional, sen entender que non se constrúe un país aplicando política de recortes. Esa é a desconstrución dun país, e hoxe por hoxe, lamentablemente, eles están noutra onda. O debate polo dereito a decidir téntase identificar dende o Goberno de España cunha cortina de fume de CiU e da Generalitat sobre outros temas. Pero non todas as persoas que saíron á rúa para reclamar a autodeterminación son votantes de CiU nin son de dereitas… Non é unha cortina de fume. Artur Mas ás veces emprégao para tapar as súas políticas, pero unha cousa é que se utilice e outra que sexa unha cortina de fume. Hai un esgotamento total na relación de Catalunya e España, que racha coa sentenza do Estatut, cunha manifestación multitudinaria en 2010. Quen se carga o pacto constitucional, é o PP e a aznaridad no seu conxunto. Isto fai que hoxe en Catalunya haxa unha opinión moi transversal que aposta por pasar a outra etapa. Eu mesmo creo que a relación entre Catalunya e España non se pode manter como ata agora, e tamén o pensa moita outra xente de esquerdas, non necesariamente independentista. A crise territorial é unha das crises, que se suma á demográfica, á económica, á crise en torno á Monarquía… É unha crise de réxime. Esta crise está xerando independentista, persoas que non se situaban ata agora nestas posicións dende o punto de vista identitario pero que agora apostan por esta via como solución aos problemas? "O PP é unha máquina de facer independentistas; hai moita xente que se quere independizar de España, pero moita máis que se quere independizar desta España" En parte, si, pero sobre todo o PP é unha máquina de facer independentistas. En Catalunya, e supoño que tamén en Galicia, hai moita xente que se quere independizar de España, pero moita máis que se quere independizar desta España, dunha España que aproba unha lei como a do aborto que nos leva aos anos 70, que fai cousas que nunca pensáramos que ían pasar. E a isto súmase a incapacidade de recoñecer unha aspiración democrática que os países normais solucionan como fixo Canadá con Quebec ou como fai o Reino Unido con Escocia: co dereito de autodeterminación, cunha proposta de sedución e non de ameaza e aí a xente resolve o que quere. A sociedade catalá é moi complexa, moi mestiza. E se está transitando do que podería ser un independentismo de en torno ao 15% ou o 20% da poboación a unha opción independentista que hoxe pode ser maioritaria é pola incapacidade de España de recoñecerse a si mesma. O PP é o maior aliado do independentismo. En ICV conviven moitas almas, dende a federalista ata a independentista. Están de acordo no dereito de autodeterminación pero non coa culminación dese proceso. Como as concilian? Hai un principio democrático, que é o principio de autodeterminación. Cando remate este proceso, e oxalá se poida facer a consulta en 2014, como formación política decidiremos en función de se o Estado é quen ou non de poñer unha proposta sobre a mesa. Convivimos baseándonos no principio de radicalidade democrática, de entender á vez que non é intercambiable o proceso nacional no que estamos cos recortes sociais, coas privatizacións ou coa sociedade de mercado na que estamos. Ata onde cre que pode chegar o Goberno de España para frear a consulta e o proceso? Chégase a apelar a cuestións moi atávicas da sociedade española, case ao berro de "a mí el Ejército"… "O PSOE segue a remolque do PP e UPyD, que miran a VOX" Mesmo falan da intervención e suspensión da autonomía. Hai sectores da dereita que falan desa suspensión da autonomía, pero eu creo que o máis preocupante é o efecto arrastre: PP e UPyD mirando a VOX, UPyD marcando unha axenda ultracentralista, o PP séguindo a remolque e o PSOE seguindo a remolque ao PP e a UPyD. Nunha enquisa recente o electorado do PSOE, sen ningunha pedagoxía, está maioritariamente a favor de que en Catalunya se poida facer un referendo de autodeterminación. Eu quero pensar que ao final a sociedade española é mellor que a política ou que algunhas forzas políticas españolas. Quero pensar que é unha cuestión de tempo, pero preocupa que hoxe en España haxa unha realidade en Madrid rexión que está moito máis á dereita que o conxunto da sociedade. E xa non falo nas recoñecidas como nacionalidades históricas, senón que en lugares como Andalucía, Asturias… o clima é distinto que na rexión de Madrid, que forma parte dos problemas que ten a sociedade española. Chegados a este punto, cabe a posibilidade de que todo quede como está? Iso é imposible. Podería quedar todo como está, pero cunha maioría da xente en Catalunya desconectando e cunha pingueira constante que levará máis xente cara a teses de ruptura ou secesión. Cando un 70% ou 80% da poboación quere exercer o dereito de autodeterminación é cuestión de tempo, pero é imparable. Non cabe a postura de que todo continúe como está; o que si creo é que a reación por parte do Estado español é a máis estúpida, a máis pechada. A que máis alimenta o independentismo. O que tería que facer é recoñecer o dereito de autodeterminación e poñer sobre a mesa unha proposta de federalismo que non sexa uniformizador, porque a realidade catalá ou a galega é moi distinta á doutras partes do Estado, é evidente. O gran debate é que a demanda catalá non se basee no agravio económico, para min é un erro garrafal, no de "España nos rouba, a España subsidiada". "Cando un 80% da poboación quere exercer o dereito de autodeterminación é cuestión de tempo, porque é imparable" Como pode influír no resto do Estado ese exercicio do dereito de autodeterminación? Ten que servir para rexenerar España. Hai quen pensa que é mellor negar esa onda, é o que fai o PSOE, por exemplo. A responsabilidade da esquerda sería aproveitar esa onda para que se produza un cambio de réxime en España. Seguramente iso pasa porque en España non hai unha correlación de forzas para protagonizalo, pero con esa onda que vén de Catalunya pódese facer. A identidade española constrúese dende hai motio tempo en torno á soberanía española, en torno á que a soberanía só reside no pobo español. Quizais haxa que refundar ese patriotismo español cara a novos conceptos. Unha proposta de modelo federal ou confederal só é posible cunha boa proposta por parte de España, de radicalidade democrática e de cambio profundo no económico. Neste momento un dos retos máis inmediatos son as eleccións europeas. En Galicia parte do debate centrouse na conveniencia ou non de concorrer xunto a forzas estatais. Como o len dende ICV, tendo en conta por exemplo a súa relación con IU? Nón non somos IU, rachamos con IU hai anos, pero estamos atopando comprensión en IU. O que non ten ningún sentido cando temos un contexto europeo no que temos que ir á construción de bloques para dobregar a troika é camiñar cara a un escenario de fragmentación. Por iso entendemos que debemos sumar. A nós encantaríanos unha suma con IU, coa Chunta Aragonesista, coa xente de AGE, coa xente de Compromis no País Valenciá... Algunhas desas realidades vanse sumar e temos que tentar sumar o máximo e por iso estamos en Galicia, onde nas últimas eleccións xurdiu algo distinto con dúas claves fundamentais: novidade e unidade, unidade e novidade. Con unidade non basta e con novidade só, tampouco. Algo novo permite emerxer cuns deputados e xa está, pero temos que nos quitar o medo a tentar gañar, porque a esquerda ás veces está moi cómoda na oposición… Galicia é unha experiencia de algo que funcionou e deberíamos ir cara a ese bloque. Con todo isto, onde ve a Galicia, a Catalunya e a España en 10 ou 15 anos? "Gustaríame unha España que se recoñecese en si mesma e iso precisa motores; un motor vai ser Catalunya e outro pode ser Galicia, porque aquí están a pasar cousas" Hai varios escenarios. Un é o do estancamento da miseria no sur de Europa. Teñen un plan, cunha periferia de Europa na que se garantan salarios baixos e esa competitividade se basee nunha degradación das nosas vidas, pagar as débedas a costa de toda a nosa vida. Hai outro escenario, o de construír un polo distinto que eu creo que non pasa polo PSOE, porque a socialdemocracia tirou a toalla. E non só é un problema do PSOE, tamén o fixo o SPD en Alemaña, estao facendo Hollande en Francia, que o máis relevante non é que mude de moza, é a súa política de recortes. Temos que construír ese polo, e construíndoo temos que ir a un escenario de gran quita, como tivo Alemaña a finais dos 40, de renegociación da débeda e dunha democracia máis vigorosa. Pésame máis o optimismo da vontade que o pesimismo da razón, en termos de Gramscy. Hai que ser optimistas, porque senón vannos levar por diante. Pero á vez hai que combinalo con ideas, con organización. Gramscy tamén dicía iso de que "a indiferenza é o peso morto da historia", hai que tirar de enriba o pasotismo, iso de que non se pode facer nada. Non é doado, pero só se pode facer con perspectiva de cambio. Cando Tsipras perde as eleccións en Grecia eu falo con Stavros, o responsable internacional de Syriza, e me di que en tres meses o goberno vai caer por mor da gran mobilización da rúa. Tiña lóxica o que dicía, pero fun en setembro ao congreso de Syriza e a mobilización desaparecera. Porque ou hai expecatativa de cambio ou, por moi mal que esteas, o malestar convértese en resignación e sobrevives, como é lóxico. Mesmo nun escenario tan dantesco como o dos barrios de Atenas. Temos que crer nesa expectativa. E se o conseguimos, en Galicia, en Catalunya ou España podemos cambiar moitas cousas. A min gustaríame que, finalmente, houbese unha España que se recoñeza en si mesma, e iso precisa motores, e un motor vai ser Catlaunya. Pero outro pode ser Galicia, porque aquí están pasando cousas. Para iso fai falta unha política máis fraternal, a máxima francesa non é ningunha broma. E iso significa organizacións máis amables e a nova política facendo nova política, non vella política. |
NOS_45526 | A 50 anos vista do debut europeo do Celta, o 15 de setembro de 1971, os Aspas, Brais, Cervi e Compañía pretenden emular a fazaña de Gost, Juan ou Jiménez e devolver o Celta na tempada 2021/22, que comeza este 13 de agosto, a unha posición de privilexio na que non se atopa desde a cruel eliminación a mans do Manchester United nas semifinais da Europa League de 2017. | Ilusión. Esa é a verba que mellor define o estado de ánimo colectivo dunha afección e dun equipo que son conscientes de que están ante unha oportunidade única na campaña futbolística 2021/22, que arranca esta sexta feira, 13 de agosto, co Valencia-Xetafe (22 horas) e na que os celestes se estrearán o domingo en Balaídos nin máis nin menos que contra o vixente campión, o Atlético de Madrid (17.30 horas). O escenario e o rival non poderían ser mellores para calibrar o estado dun equipo que, aínda que Eduardo Coudet se empeñe en entregarse publicamente á pedra filosofal do CholoSimeonismo -"partido a partido"-, que o seu compatriota popularizou no seu rival deste domingo, o certo é que nin el mesmo pode evitar pode evitar contaxiarse do devezo colectivo de volver a Europa ás portas do centenario do club, que se celebrará en 1923. Para conseguilo, o arxentino iniciou unha mini revolución nun vestiario no que as saídas cobraron máis peso que as chegadas. Deste modo, con respecto á Liga pasada dixeron adeus tanto homes habituais nos seus esquemas -Aaron Martín, que regresa ao Mainz alemán logo do fin da súa cesión; e o central Jaison Murillo, que do mesmo modo volve á Sampdoria- como unha serie de xogadores que saen da escuadra olívica en busca de minutos para medrar como futbolistas -exemplos paradigmáticos son os de Sergio Carreira e o medallista olímpico Iván Villar, cedidos ao Mirandés e ao Leganés, respectivamente- ou que din adeus definitivamente ao Celta, casos do 'Gato de Catoira' Sergio Álvarez (retirado), David Costas (Oviedo), Jorge Sáenz (Marítimo de Madeira), David Juncá (Girona), Jozabed (Málaga), Juan Hernández (Alcorcón), Gabriel 'Toro' Fernández (Bravos de Juárez) e Facundo Ferreyra (sen equipo). Con todo, aínda non está fechado o apartado de saídas, pois Coudet devece por desfacerse dos otomanos Okay Yokuşlu e Emre Mor. O primeiro é quen parece que será o primeiro en facer as maletas. Logo de ofrecer un digno rendemento a pasada tempada durante a súa cesión no West Bromwich Albion (WBA) da Premier League, que lamentabelmente para os intereses celestes non puido referendar nunha Eurocopa na que Turquía foi unha das grandes decepcións, o centrocampista desexa volver a terras inglesas, aínda que non a calquera prezo, pois xa renunciou a unha oferta do propio WBA, que xogará na Championship logo do seu descenso. Desde Inglaterra fálase do interese de clubs como Crystal Palace, Norwich City, Watford e Wolverhampton, e tamén en Italia a prensa do país transalpino referenciou que Okay é do gusto de escuadras como Parma e a Roma de José Mourinho, aínda que polo de agora a cousa non pasa dunha rumoroloxía que tamén apunta a que o Celta pretende recibir seis millóns de euros polo seu transfer. Máis complicada parece a saída de Emre Mor. Sen dorsal asignado e adestrando á marxe do grupo, a mala imaxe que ten no seu país natal xa lle fechou as portas de Besiktas e Tranbzospor, e nin sequera Mino Raiola, o axente de futbolistas máis importante do mundo, parece ser quen de atoparlle acomodo fóra de Balaídos ao díscolo extremo. Cervi, o desexado No capítulo de altas, bastante máis reducido que o de baixas, brilla con luz propia a figura de Franco Cervi. Anhelado desde hai moitos meses, chega a Vigo desde o Benfica coa idea de reforzar a zona de tres cuartos, na que se manteñen Nolito, Brais Méndez, Denis Suárez e Solari. As outras dúas fichaxes -até o de agora, pois Coudet demanda a chegada dun defensa central e dun dianteiro que acompañe Santi Mina e Iago Aspas- son Javi Galán e Matías Dituro. O primeiro desenvólvese como lateral esquerdo, e foi un dos mellores no seu posto na pasada Liga, mentres que o segundo é un veterano gardameta (34) que hai dez anos xogou no filial celeste e que, para sorpresa xeral, podería ser o escollido para ser titular por diante de Rubén Blanco. "Loitar polo título que lle falta o Celta" Son verbas de Iago Aspas nunhas recentes declaracións a Santi Cañizares, ex porteiro do Celta a principios dos anos 90, na súa canle de Youtube. O de Moaña explicou que no día do seu aniversario recibiu unha felicitación de Eduardo Coudet na que engadía que xuntos ían "loitar por ese título que lle falta o club". A mensaxe do preparador bonaerense reflicte á perfección a ambición sen límite que o caracteriza, e por iso esta campaña cabe descartar por completo unha medida tan criticada pola afección de todos os equipos da zona media e baixa da táboa como defendida internamente polos seus responsábeis como é a de "tirar a Copa" para centrarse no torneo da regularidade. O Chacho quere facer historia, e Iago Aspas sabe que aos seus 34 a retirada está cada vez máis próxima, polo que a Copa do Rei torna nunha prioridade competitiva ao mesmo nivel que a competición ligueira. Ademais, é unha segunda vía para conseguir xogar competición continental, pois o gañador recibe unha praza na Europa League. |
PRAZA_14021 | A aplicación web España en llamas ofrece datos completos sobre os incendios da última década, e está desenvolvida pola Fundación Ciudadana Civio e o programador galego Juan Elosua, que pasou meses reclamando oficialmente o acceso á información pública, obtendo finalmente os datos primarios das brigadas de extinción. Teñen en marcha unha campaña de crowdfunding para completar o proxecto. | España en llamas é unha aplicación web gratuíta que ofrece datos completos sobre os incendios da última década en toda España e permite visualizar e moverse por datos inéditos de todos os lumes forestais de máis de 100 hectáreas dende 2001. Está desenvolvida pola Fundación Ciudadana Civio, unha organización sen ánimo de lucro que realiza aplicacións informáticas para facilitar o acceso a información pública e contou co traballo destacado do programador galego Juan Elosua. O máis novidoso proxecto radica precisamente aí, no tipo de datos que manexa, información pública inédita á que todos os cidadáns teñen dereito de coñecer, acceder e manexar. Neste caso trátase dos datos primarios ofrecidos polas brigadas de extinción xusto despois de cada incendio e que conforman a Base de Datos Nacional de Incendios Forestales (EGIF) do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, que até agora non vira a luz. Foi o propio Juan Elosua, quen despois de meses de peticións e reclamacións conseguiu acceder a esa información pública Foi o propio Juan Elosua, quen despois de meses de peticións e reclamacións conseguiu acceder a esa información pública. "España é o único gran país de Europa sen lei de transparencia, pero si existe unha lei que garante o acceso á información relacionada co medio ambiente", indican dende a Fundación. En novembro Juan Elosua enviu dúas solicitudes, unha ao ministerio e outra á Comisión Europea e por fin en febreiro conseguiu que lle proporcionasen o acceso á información. "Estes datos só se podían ver agregados en informes en PDF na web do ministerio. Púxenos nun mapa para que se entendese mellor e a información estivese ao alcance de todos", explica Elosua. A Fundación Ciudadana Civio ten en marcha unha campaña de financiamento en Goteo.org co obxectivo de facer crecer o proxecto e investigar o problema coa axuda de cidadáns e organizacións interesadas na protección do medio ambiente ou a transparencia informativa. |
PRAZA_20983 | A AELG publica os resultados dunha enquisa que amosa unha panorámica dun colectivo maioritariamente masculino e cunha idade media de 54 anos, pero con máis mulleres entre as xeracións novas. Unicamente o 17% ten dedicación en exclusiva á escrita e só o 6% ten como fonte única de ingresos este labor. O 54% recibe menos de mil euros anuais en dereitos. | A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) está a preparar un Libro Branco que busca recoller a situación do sector e a as demandas do colectivo. Na primeira fase da realización deste Libro Branco a AELG levou a cabo unha enquisa entre os seus asociados e asociadas, cuxos resultados presentou esta semana, e nos vindeiros meses dous informes xurídicos completarán o traballo desenvolvido.As mulleres comezan a ser clara maioría entre as novas xeracións de autoras: o 43,5% das asociadas da AELG teñen menos de 45 anos, unha porcentaxe que cae ao 17,6% no caso dos homesA enquisa serve como panorámica dun colectivo moi masculinizado (63% de homes e só un 35% de mulleres) e dunha elevada idade media (54 anos). Con todo, amosa que as mulleres comezan a ser clara maioría entre as novas xeracións de autoras: o 43,5% das asociadas da AELG teñen menos de 45 anos, unha porcentaxe que cae ao 17,6% no caso dos homes. En calquera caso, o inicio no mundo da escritura é, en xeral, tardío, situándose entre os 36 e 38 anos.Só o 17% dos escritores e escritoras ten dedicación en exclusiva á escrita e o 67% ten un traballo a xornada completa, principalmente (o 36%) na docenciaUn dos datos máis salientables da enquisa é que unicamente o 17% dos escritores e escritoras ten dedicación en exclusiva á escrita e só o 6% ten como fonte única de ingresos este labor autoral. O 16% ten outro emprego a tempo parcial e a gran maioría, un 67%, ten outro traballo ao xornada completa. Case o 58% conta actualmente cun emprego por conta allea, case o 13% teñen un emprego por conta propia e máis dunha cuarta parte (27%) son pensionistas, tanto por xubilación como por outras razóns.Entre as ocupacións laborais máis numerosas destaca por riba de todas a docencia, que emprega ao 36% dos escritores e escritoras en lingua galega. Outras ocupacións frecuentes son o traballo na administración pública (9,9%), o xornalismo (4,3%), a consultoría (3,5%), a xestión cultural, a sanidade, a edición ou as artes (un 2,1% en cada caso). 9 de cada 10 escritores e escritoras contan cunha titulación universitaria.A enquisa amosa a limitación dos dereitos de autor cobrados por escritores e escritoras. De feito, o 54% das autoras e autores recibiron menos de 1.000 euros por este concepto no último ano. Para o 72% do colectivo, os dereitos de autoría supoñen menos do 10% dos seus ingresos anuais.O 54% das autoras e autores recibiron menos de 1.000 euros por dereitos no último anoOs ingresos medios por dereitos de autoría sitúanse lixeiramente por riba dos 1.595 euros, pero con grandes diferenzas por xéneros literarios, dende os 1.795 euros de media na narrativa aos 200 euros da poesía ou os 400 do teatro. Hai, igualmente, amplas diferenzas entre uns e outros autores e autoras, pois mentres que un 14% non recibiu nada no último ano, hai algún caso puntual de persoas que ingresaron máis de 30.000 euros.O 2% de todas as escritoras e escritores foron penalizados ou penalizadas por compaxinar os ingresos por dereitos de autoría cos ingresos derivados da súa xubilación. Entre as persoas xubiladas a porcentaxe foi do 6%. Esta baixa incidencia desta problemática é consecuencia das escasas retribucións que se perciben polos dereitos de autor.Un dos aspectos máis repetidos na enquisa é a crítica á falta de apoio á literatura galega por parte da televisión, incluída a TVG. Catro de cada dez escritores e escritoras consideran "inexistente" este apoio ou a promoción. A Radio Galega está algo mellor valorada, mais só o 11% afirma que o labor de promoción realizado é "alto". A percepción das librarías é moito mellor (o 21% cita o seu traballo como bo), pero tamén se considera "mellorable".Un dos aspectos máis repetidos na enquisa é a crítica á falta de apoio á literatura galega por parte da televisión, incluída a TVGNeste senso, no informe que recolle os resultados da enquisa, a AELG afirma que "a semente da literatura galega é sa e forte, pero o problema está na terra, á que lle faltan nutrintes e estímulos para que o que se pon nela poida agromar".A asociación sinala que "o principal reclamo respecto ao apoio público nin sequera é unha mellor difusión, ou mesmo unha mellora na labor de normalización, senón desenvolver apoios económicos concretos, como por exemplo bolsas á creación literaria, para que os escritores e escritoras, independentemente da idade ou do prestixio, poidan levar a cabo a súa obra sen a presión económica da necesidade doutro traballo"."A literatura galega non pode ser, para unha parte da poboación nova, un contido formativo máis e, para iso, a literatura en galego debería ter espazos visibles e relevantes nas propias librarías ou espazos televisivos fóra de horarios intempestivos"A AELG conclúe que "existe a necesidade de dinamizar o ecosistema institucional cara ao fomento da literatura en galego, unha dinamización que non só debe estar enfocada cara aos piares históricos da literatura galega, senón que debe tentar recoller boa parte da prolífica produción das escritoras e escritores galegos actuais". Este fomento da lectura é descrito por algunha das persoas participantes como a "creación dos novos lectores e lectoras en galego", cuestión que debe xurdir dende o propio sistema educativo, sinala a AELG. "A literatura galega non pode ser, para unha parte da poboación nova, un contido formativo máis e, para iso, a literatura en galego debería ter espazos visibles e relevantes nas propias librarías ou espazos televisivos fóra de horarios intempestivos. A literatura en galego debe ter, pois, presenza no mundo no que o seu potencial público vive decotío", engade a AELG. |
NOS_31266 | Os da Cidade das Murallas intentarán sacar partido esta cuarta feira a partir das 19 horas da debilidade do Mirandés, un dos peores equipos como local da categoría de prata. | Os da Cidade das Murallas intentarán sacar partido esta cuarta feira a partir das 19 horas da debilidade do Mirandés, un dos peores equipos como local da categoría de prata. Logo de sete partidos disputados na súa casa do Municipal de Anduva, o rival do Club Deportivo Lugo acumula sete puntos, cun total de dous triunfos, un empate e catro derrotas, o que deixa o conxunto castelán só por diante de Real Sociedade B, Zaragoza, Leganés, Amorebieta e Alcorcón no ránking de equipos con menos puntos como locais. Desafortunadamente, nesta cuarta, como se di popularmente, xúntanse a fame coas gañas de comer, pois a escuadra albivermella é a cuarta peor visitante da Segunda División -tras Málaga, Amorebieta e o fechacancelas Alcorcón-, con catro puntos en seis partidos nos que non foi quen de lograr nin unha soa vitoria. Non obstante, o elevado nivel de xogo exhibido polos de Rubén Albés nos seus últimos encontros invitan a un optimismo in crescendo logo da recuperación de varios futbolistas mancados, caso de Alberto ou Manu Barreiro, altas que para algunhas afeccionadas non compensan na balanza do infortunio a desafortunada lesión dun dos homes máis en forma do campionato, Gerard Valentín. Gañar para soñar, perder para tremelicar O Lugo encara o reto do Mirandés instalado nunha cómoda décimo terceira posición. Tanto é así que, de gañar, e dependendo dos resultados dos seus rivais, podería escalar mesmo até a oitava, da que o actual propietario é o Real Oviedo con 19 puntos, a tan só tres máis da sexta praza que marca o límite dos postos do play-off de ascenso á Primeira División. O problema radica en que, de non lograr rañar un triunfo en Anduva, os albivermellos verían como se lle acercan perigosamente os conxuntos da zona baixa da clasificación, comezando polo propio Mirandés, distanciado por un só punto dos galegos. De feito, Lolo Escobar, preparador do combinado de Miranda de Ebro, declarou que o seu equipo "agarda" pasar por enriba do Lugo para "entrar nunha dinámica positiva" que lle sirva de "pista de despegue" do fondo da táboa Albés: "Perder Gerard é moi duro" O adestrador do Club Deportivo Lugo, Rubén Albés, analizou antes do choque ante o Mirandés toda a actualidade da escuadra albivermella, que pivota sobra a ausencia dun dos homes máis importantes no seu sistema, Gerard Valentín. Lesionado no partido da pasada xornada, o ex deportivista estaba sendo non só un dos mellores do Lugo, senón do conxunto da categoría. Por iso, Albés non tivo problemas en recoñecer que a súa perda é "dura", pois "é un xogador top capaz mesmo de modificar comportamentos tácticos". Con todo, o preparador vigués móstrase positivo sobre a súa recuperación, explicando que tan só ten "unha pequena rotura", polo que agarda "que non tarde moito en volver". Ademais, puxo en valor o labor do seu substituto, Jaume Cuellar, quen "derribou a porta da titularidade" coa súa actuación ante o Sporting de Xixón. Rubén Albés tamén quixo destacar o "talento" e a "capacidade goleadora" do seu rival de hoxe, máis afirmou que el "non especula", polo que os futbolistas albivermellos "sairán a gañar" en Anduva. |
NOS_53769 | A organización política desenvolverá o seu cónclave os días 11 e 12 de outubro no que elixirán @s integrantes da nova Coordenadora Nacional. | Anova-Irmandade Nacionalista enfronta esta fin de semana a súa II Asemblea Nacional. Unha dupla xornada de debate e traballo na que aprobar os textos políticos e organizativos da formación que lidera Xosé Manuel Beiras, mais na que tamén visan dar por rematado o "proceso constituínte". Así se expresou na presentación pública da cimeira o actual coordenador nacional, Martiño Noriega, quen acompañado pola secretaria de organización, Esther Duro, debullou cales serán os puntos a tratar na asemblea e o lema da mesma. Baixo o epígrafe 'Coa nación na esquerda. Tecendo rede', a militancia de Anova deberá definir a folla de rota a seguir mais tamén as persoas que conformarán os órgaos de dirección durante esta nova etapa. Dous proxectos confrontados O punto forte do cumio vén marcado pola confrontación entre os proxectos que representan, dunha banda, o propio Martiño Noriega e doutra, a militancia máis crítica organizada en Cerna. Un choque de ideas que Noriega definiu como o debate en que "o novo non acaba de emerxer e o vello non remata de desaparecer". Dúas formas de concibir a organización e, no concreto, o nacionalismo. En troca da postura de Noriega --que defende o mantemento da fórmula AGE-- @s de Cerna aseguran que manter a coligazón con Esquerda Unida supón abandonar o "proxecto fundacional" de Anova. Un feito que para o sector maioritario, actualmente, nos órgaos de dirección supón adoptar "unha posición case excluínte e de non convivencia". Cerna rexeita manter a coligazón con Esquerda Unida en aras do "proxecto fundacional" de Anova mais o sector de Martiño Noriega defende afondar na fórmula da 'fronte ampla' Nese senso a Asemblea Nacional servirá para "fixar posicións", como explicou o propio Noriega en comparecencia de imprensa, e dar saída a unha confrontación de pareceres que se acumula desde a I Asemblea, mais sobre todo, desde o referendo interno convocado con motivo das eleccións europeas. Do conclave sairán tamén eleitos os novos órgaos de dirección. A Coordenadora Nacional (174 candidaturas para 75 postos) mais, tamén, a Comisión de Ética e Garantías, outro dos aspectos que se prevén máis conflitivos, habida conta que a militancia --máis dun milleiro de persoas-- terá que pronunciarse a respeito da expulsión de compañeir@s. Beiras propón unha portavocía "partillada" Aliás, a asemblea deberá elixir se muda ou non a actual fórmula da súa portavocía. Neste senso, Martiño asegurou que a "vontade" de Xosé Manuel Beiras é a de crear unha fórmula partillada. Cumpre lembrar que o portavoz de Anova, e deputado no Pazo do Hórreo, avanzou que aminorará o ritmo de traballo e presenza pública por mor da súa saúde. |
PRAZA_7258 | ENTREVISTA O historiador Celso Milleiro ofrecerá este venres unha conferencia, organizada pola Asociación pola Recuperación da memoria Histórica de Marín, sobre o sindicato Alianza Mariñeira, no centenario da súa creación. Falamos con el | Neste 2014 celébrase o centenario da creación da Unión de Pescadores A Alianza Mariñeira, un sindicato mariñeiro de Marín, con gran actividade nos anos 10 e 20 do século pasado e cuxos dirixentes sufriron, nalgúns casos, unha forte represión a partir de 1936. Este venres a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín organiza unha charla sobre a Alianza Mariñeira, que será impartida polo investigador Celso Milleiro Sánchez, a partir das 20 horas na Biblioteca municipal. A Asociación busca con este acto "lembrar os veciños da vila vítimas do Levantamento Militar" e "especialmente os mariñeiros que loitaron dentro das organizacións por mellorar as súas condicións de vida", sendo este colectivo "o máis perseguido e represaliado". En que contexto nace este sindicato e cal foi a súa actividade e implantación? Este sindicato xogou un papel importante nos anos 10 e 20 do século pasado. Créase en 1914, no contexto da Primeira Guerra Mundial, nun momento en que a flota de arrastre de Marín chegaba ata as augas de Portugal, grazas ao novo motor de explosión. A Alianza Mariñeira pertencía á Federación Obreira, da UGT. En Marín hai unha parte da nosa historia, sobre todo a que ten que ver co pobo, a nivel político ou sindical, que está completamente anulada. Non hai información de ningún tipo, e por exemplo sobre este sindicato non hai xa arquivos, toda a información que temos tivemos que obtela a partir da prensa da época. "A partir dos anos 20 entra nunha crise interna, sobre todo polo crecemento do sindicalismo anarquista entre os mariñeiros, pola actividade da CNT" Foi especialmente sinalada a folga de 1915, non si? A folga de 1915 foi unha das máis importantes que tiveron lugar na historia de Marín, unha folga de case cinco meses e cun ambiente case de guerra civil entre os mariñeiros e os maquinistas, apoiados polos armadores. Hai disparos, bombas, intervencións da garda civil e da cabalería, bloqueos do concello, ameazas de bombardear a vila por un barco da Armada... Mesmo chegan xornalistas de todo o Estado a cubrir os acontecementos e os dirixentes sindicais máis importantes foron detidos. Tamén viaxou a Marín Pablo Iglesias e presentou varias iniciativas no Congreso a raíz da folga. Que papel xogaba a muller? A muller xogou un papel moi destacado nas xuntanzas e nas actividades das organizacións obreiras e mariñeiras. Hai unha sociedade de conserveiras moi relevante, El Porvenir de la Mujer, que se implica moito nesta folga. De feito, un dos acordos aos que se chega no remate da folga é a reincorporación aos seus traballos das mulleres que foran despedidas das empresas conserveiras por apoiar o paro. Hai mulleres detidas tamén, a prensa fala de mulleres que se enfrontan á garda civil... Que outras accións levou a cabo a Alianza Mariñeira? Eu destacaría a súa oposición á polígono de tiro, unhas mobilizacións nas que tamén participan outros sindicatos obreiros. Este polígono, que estaba no lugar que despois ocupou a Escola Naval, era apoiado pola burguesía e o comercio de Marín, que chegou a organizar unha manifestación ao seu favor, á que acudiron 300 persoas. A Alianza Mariñeira tamén se mobilizou a favor da lonxa pública da vila, organizando unha manifestación en Pontevedra con máis de 3.000 persoas. Nos anos seguintes, a actividade da sociedade decaeu? Si, en realidade a sociedade tivo uns vinte anos de vida. A partir dos anos vinte entra nunha crise interna, primeiro por mor da ditadura de Primo de Rivera, pero sobre todo polo crecemento do sindicalismo anarquista entre os mariñeiros, pola actividade da CNT. En 1930 créase o Sindicato da Industria Pesqueira, que era un dos sindicatos máis importantes de Galicia, con 1.500 afiliados só en Marín. Como afecta aos mariñeiros e aos representantes do sindicato a represión franquista a partir de 1936? Algúns dos dirixentes da primeira época morreron antes de 1936, pero outros, como Román Landín ou Urbano Mallo, entraron no sindicato anarquista que che comentaba antes, e polo tanto foron perseguidos moi intensamente. Mallo estivo fuxido no monte durante tres anos e ao acabar a guerra entregouse e foi pechado no cárcere, o mesmo que Landín. A represión fascista en Marín, en xeral, foi especialmente dura? Houbo moitos consellos de guerra e xuízos, que afectan a uns 200 veciños, con varias condenas a morte, unhas 30. Xunto coas cidades galegas Marín era probablemente o lugar de Galicia onde o movemento obreiro estaba máis establecido e era máis forte, con sindicatos máis activos. Iso nótase moito cando chega a República. Por exemplo, nas eleccións municipais de 1931 en Marín gaña unha conxunción de republicanos, socialistas e agraristas. A partir de 1936 é moi perseguido o sindicalismo uxetista e anarquista. Ademais, por ser Marín un porto da Armada, houbo moitos mariñeiros de Marín que loitaron na guerra no bando republicano. E no Baleares, igualmente, morreu moita xente de Marín. |
PRAZA_8149 | O peche da multinacional Alstom é o último de empresas de compoñentes eólicos en Ferrolterra, onde se destruíron 1.500 empregos nos últimos cinco anos. A inseguridade xurídica, a parálise na adxudicación de megavatios e a crise acaban cun sector punteiro no país. | Outro sector que esmorece en Galicia. A crise e a falta de planificación económica dos gobernos galego e estatal están acabando de vez coa potencialidade eólica do país e levando por diante milleiros de postos de traballo. Na comarca de Ferrolterra, que sofre tamén desde hai anos a grave situación pola que pasa o naval, o goteo de empresas vinculadas aos muíños de vento que caen cada pouco continúa. A última, a multinacional Alstom Wind, que vén de decidir pechar a súa fábrica das Somozas e o seu centro loxístico de Narón para levar a súa produción a Navarra. Se nada cambia, 63 empregos menos, ademais de todos os postos de traballo vinculados a esta compañía e que tamén semellan abocados a desaparecer. O peche de Alstom nas Somozas e Narón é o último dun desmantelamento do sector eólico en Ferrolterra Aínda sen datos oficiais, a patronal eólica (Asociación Eólica Galega) cifra en arredor de 1.500 os empregos destruídos durante os últimos cinco anos tan só nesta comarca, á marxe dos que tamén desapareceron noutros puntos de Galicia, especialmente no norte da provincia de Lugo. Ferrolterra convertérase nunha zona especializada de fabricación de todo tipo de compoñentes para os aeroxeradores en diferentes plantas e empresas que foron desaparecendo nos últimos anos. Gamesa, das poucas que aguanta, mantén traballo, pero arredor dun terzo dos operarios que tiña hai uns anos. Logo da suspensión temporal das primas ás renovables, a obsesión do Goberno central por conter o déficit tarifario a costa das enerxías alternativas levouno a practicamente eliminar esta gratificación. Se antes a actualización da devandita prima seguía o IPC, a partir de agora empregarase a inflación subxacente (sen ter en conta a variación nos combustibles, alimentación, comunicación ou transportes), o que supón que se pase do 3,5%, segundo a última referencia, a arredor do 0,5%. O real decreto lei de medidas urxentes no sistema eléctrico aprobado polo Executivo acabou de dar un golpe definitivo en Galicia ao sector eólico, que xa esmorecía pola inseguridade xurídica derivada da anulación do concurso do bipartito que acabou por paralizar a actividade tras a chegada da crise económica. A paralización na adxudicación de megavatios fai que as empresas abandonen o negocio en Galicia "As empresas poderían amortizar en pouco tempo os parques eólicos se lles desen máis megavatios e puidesen instalar máquinas novas, pero non lles interesa porque a potencia que poden engadir non lles compensa", explica Roberto Castro, presidente do comité de empresa de Alstom nas Somozas, que denuncia a "paralización" da adxudicación de megavatios por mor da "inseguridade xurídica" derivada dos cambios no marco regulatorio. Ademais, advirte de que á perda de 63 postos de traballo na súa compañía haberá que engadirlle "outros 30 ou 40 postos de traballo máis" do persoal que traballa nos parques eólicos. O vindeiro xoves, representantes do comité de empresa manterán unha xuntanza coa compañía en Madrid para intentar manter as plantas de Galicia. "Nunca houbo conflito cos traballadores e fixemos todo o que nos pediron; houbo flexibilidade, chegamos a acordos para as horas extras e non houbo nin un só accidente", lembra. Pero os problemas viñan xa de lonxe no sector, tal e como lembraba en Praza Rosa María Regueiro, doutora en Economía pola USC, profesora de Economía Aplicada da UdC e autora d'A propiedade do vento galego."Seguramente o concurso eólico do bipartito non era perfecto, pero a Xunta de Feijóo anulouno, apareceu unha nova lei, presentáronse recursos e as primas desapareceron... E agora chega esta bomba de Madrid", dicía en referencia ao último decreto. Desde a patronal, xa advertiron de que moitos parques eólicos poden quedar en mans dos bancos ao non poder pagar os seus préstamos, ao tempo que varios expertos -que a través dun manifesto xa pediran a recuperación das primas ás renovables- avisaban que "as empresas pequenas desaparecerán ou serán absorbidas polos grandes grupos". "Cando o sector estaba maduro, suprimíronse as primas, cando o lóxico, en todo caso, sería que se conxelasen ou se fosen reducindo pouco a pouco e non suprimilas de golpe", di Regueiro. Pero xa foi. A Xunta desaproveitou a potencialidade e incluso a patronal insiste para que o Executivo galego cambie unha política "improvisada, errática, sen criterio e incoherente" cun sector que puido servir de amortiguador para a crise económica no país. "Se Feijóo e Guerra non se tivesen cargado o concurso eólico de 2009, en Galicia poderían estar traballando 10.000 persoas máis no sector", lembraba o economista Manuel Lago. De momento, e nos últimos cinco anos, cando menos 1.500 empregos desapareceron en Ferrolterra. |
NOS_57946 | Nun editorial, o xornal próximo á esquerda abertzale cualifica a acción da Audiencia Nacional contra Herrira como "un grave atentado contra as liberdades e os dereitos humanos". | "Defender os dereitos humanos é unha afrenta para o Estado". Así titula Naiz (Son, en euskera) o editorial que dedica á operación aberta pola Audiencia Nacional contra a asociación que defende os dereitos d@s pres@s de ETA, saldada con 18 detencións. Para Naiz, a operación é a "enésima agresión" contra o pobo vasco e non vai ser un "feito conxuntural". "Madrid decidiu pasar a outro estadio na súa actitude perante o novo ciclo aberto en Euskal Herria e, desgrazadamente, quizá toque afacerse de novo a que a inquietude acompañe a un acto tan cotiá como acender a radio polas mañás", editorializa Naiz. Para Naiz, o acordo PNV-PSE é o "colchón" que permitiu ao "Goberno español" lanzar a operación contra Herrira O xornal cualifica de mentiras a versión dada polo ministro de Interior, que emparenta Herrira con ETA. Deste movimento social di Naiz que "ten actuado sempre á luz pública", sen agachar os seus obxetivos: "Conseguir a repatriación dos presos e presas vascas, a posta en liberdade dos prisioneiros gravemente enfermos e a derrogación da doutrina 197/2006 do Tribunal Supremo e as demais leis de excepción". Enfatiza Naiz que estes obxectivos son partillados pola "maioría da sociedade vasca", como tería demostrado o facto de 115.000 persoas ter participado a principios deste ano nunha manifestación convocada por Herrira en Bilbo. O trasfondo político da operación apunta non xa ao "inmobilismo" do Estado perante o proceso aberto por ETA ao decidir o abandono das accións armadas, senón directamente a unha "involución en toda regra". Estima Naiz que a acción xudicial contra Herrira é tamén produto dun contexto moi determinado, o do achegamento entre o PNV e o PSE, que, segundo o xornal de tendencia independentista, terían selado "un pacto de alcance estratéxico". |
NOS_26439 | Pontevedra acollerá do 6 ao 10 de abril máis unha Semana galega de filosofía. | - Disque agora os casados poden descasarse- Tamén din que vai vir o amor libre obligatorio Esta conversa, entre dúas mulleres, protagonizou un dos cadriños de Castelao. Desde a Aula de Filosofía que leva tamén o nome do rianxeiro elixiron non só o debuxo senón tamén a temática que este trata como fío condutor da XXXII Semana Galega de Filosofía que terá lugar dos días 6 a 10 de abril no Teatro Principal de Pontevedra. Baixo o título 'Filosofía e sexualidade' desde a Aula Castelao queren "procurar colectiva e publicamente as ferramentas teóricas, conceptos e teorías que nos permitan" non só explicar e entender a sexualidade senón "desvelar mecanismos de opresión e imaxinar dinámicas de liberación ou emancipación individuais e colectivas", sinalou Eva Mouriño na presentación do programa da semana. Neste senso, ao igual que o cadriño de Castelao, desde a Aula de filosofía parten da premisa de que a sexualidade, lonxe de ser algo persoal ou privado, pertencente ao espazo íntimo, manténse fortemente influída polo "estado, as institucións, algo supra-individual. Razón pola que o extenso programa contará coa presenza de persoas que, coas súas voces, poñan de relevo "a realidade de territorios da sexualidade históricamente estigmatizados,excluídos ou marxinalizados como sucede coas identidades defendidas polos colectivos LGBT, coa prostitución, etc.". Programación Ao igual que nas ocasións anteriores a Semana galega de filosofía xirará arredor de tres eixos que se corresponderán coas sesións de mañá, tarde e noite. Pola mesa de relatores e relatoras pasarán importantes nomes como Laura Bugalho --activista e sindicalista, Efigenio Amenzúa --editor da Revista española de Sexoloxía, María Victoria Carrera --profesora da Universidade de Vigo e colaboradora de Sermos Galiza, Dolores Juliano ou Román Gubern, entre outras moitas persoas. As temáticas que se abordarán xirarán arredor da sexualidade, a pornografía e a prostitución, entre outros asuntos. Podes consultar o programa completo e a disposición dos días premendo na seguinte ligazón. |
NOS_32335 | Alvarellos e a USC publican un libro de Carlos Castelao que recupera a figura e a obra de Jules David-Cavaz, un fotógrafo francés que tomo as primeiras imaxes de grupo do persoal da Universidade de Santiago en 1882. | Cando Europa aínda non existía como concepto, un fotógrafo francés operaba xa coa idea europea, retratando grupos de persoas desde Noruega até Portugal. Jules David-Cavaz, foi un fotógrafo francés que comezou captando imaxes de grupos escolares no estudio de Claude Bretagne, en Lovaina, e que despois de independizarse e montar o seu propio estudio en Levallois-Perret, nas aforas de París, ampliou a súa clientela para incluír nela todo tipo de colectivos: institucións militares, relixiosas, educativas ou empresariais de todo o continente. A localización, a comezos de 2021, de varias fotografías inéditas deste artista no Arquivo Histórico Universitario de Santiago, está na orixe dunha nova publicación do fotohistoriador Carlos Castelao, A Universidade retratada. Jules David-Calaz en Galicia, editada por Alvarellos e a propia Universidade de Santiago de Compostela (USC) na que se reproducen fotografías do ano 1882 nas que aparecen varios grupos de catedráticos, estudantes e persoal da USC. As imaxes supoñen un achado de gran valor documental, xa que constitúen o primeiro documento gráfico do persoal desta institución. Pero, ademais, foi o punto de partida dun traballo no que Castelao leva a cabo unha rigorosa recuperación da figura de David-Cavaz e do seu paso pola Galiza, documentando até 97 fotografías realizadas polo seu estudio entre 1881 e 1905, en sete viaxes ao noso país (desde que o libro saíu do prelo, o autor logrou documentar outra viaxe máis). Europa sempre se construíu en períodos de paz, non de conflito En conversa con Nós Diario, Carlos Castelao destaca dous elementos da publicación: "En primeiro lugar, hai que resaltar o feito de que o autor sexa un pioneiro da idea de Europa. Cos seus retratos de grupo realizados desde Escandinavia até Grecia e desde Portugal até os Balcáns, David-Cavaz ofrece unha panorámica do que é Europa en tempos de paz", afirma. "Aproveita un tempo de entreguerras -desde o final da guerra franco-prusiana até o comezo da Primeira Guerra Mundial- para crear unha imaxe de Europa que -cómpre reafirmalo nestes tempos- sempre se constrúe en períodos de paz, non de conflito. Desde ese punto de vista, o seu traballo ten un enorme valor simbólico". En segundo lugar, Castelao lembra que a Universidade é a grande institución compostelá do século XIX. "Ao longo de medio século, Compostela perde a industria, a provincia, a capitalidade, a Audiencia... e, sobre todo, a capacidade de liderado, case sempre en favor da Coruña. Estas fotos supuñan, daquela, unha reivindicación do valor dunha institución como a Universidade, que se presentaba como a renovadora da sociedade desde o punto de vista cultural. Era a máis alta instancia en materia de educación, e estaba en Santiago". Moitos destes académicos serviron como modelo para os personaxes da célebre novela de Pérez Lugín A casa da Troya A Universidade retratada A recuperación da memoria da USC realízase neste volume non só coas imaxes do persoal que pasou por ela: Carlos Castelao presenta un breve perfil de cada unha das figuras retratadas polo fotógrafo francés, atendendo especialmente aos círculos familiares, académicos e políticos nos que se movía. "Facer un estudo biográfico exhaustivo de cada un deles non tiña sentido nun libro destas características", comenta, "mais si era moi interesante ver que relacións mantiñan uns cos outros. A Universidade era, como agora, un reflexo da sociedade, e, daquela, acollía persoas de todas as inclinacións políticas -masóns, progresistas, conservadores moderados e radicales-, académicas, relixiosas... e estudar os vínculos entre eles dá unha visión moi interesante das tensións e tendencias que se vivían na Compostela da altura". "Como anécdota, moitos destes académicos serviron como modelo para os personaxes da célebre novela de Pérez Lugín A casa da Troya, o que dá unha idea da relevancia que tiñan na Compostela da época", apunta Castelao. Así, poden seguirse episodios da traxectoria de persoeiros da época como Jacobo Gil-Villanueva, Salvador Parga, Frei Pedro Bartolomé Casal ou Francisco Romero Blanco, e dos seus vínculos co provincialismo, co darwinismo, co neoconservadorismo ou con figuras tan dispares como Eduardo Pondal ou o célebre cociñeiro Picadillo. |
PRAZA_19400 | Axóuxere e AGAL puxeron esta semana o documental en libre descarga na rede. O filme "pretende dar a coñecer sen intermediarios cales as razóns para afirmar que galego e portugués son variedades do mesmo idioma" e aposta por unha "mudanza de vía" para a lingua falada en Galicia. | O pasado 21 de febreiro, Dia Internacional da Lingua Materna, foi liberado na Internet o documental Porta para o exterior, dirixido por Sabela Fernández e José Ramom Pichel e producido por Axóuxere, en cooperación con AGAL, para compartir e descargar libremente na rede. Porta para o exterior é unha viaxe que nos permite transitar polas experiencias de máis de 70 persoas entrevistadas, "que nos mostran como viven a súa lingua diariamente como unha lingua falada non só na Galiza, mais tamén noutros lugares do mundo -Brasil, Portugal, Angola, Mozambique, Cabo Verde ou Timor Leste- e os desafíos que leva consigo", destacan os seus responsables, que indica que o filme "pretende dar a coñecer sen intermediarios cales as razóns desas persoas para afirmaren que galego e portugués son variedades do mesmo idioma e cales son as súas propostas de futuro para a lingua ao norte do Miño, que pasan por unha mudanza de vía". AGAL destaca que o documental busca "dar voz directa a un mundo formado por persoas de diferentes idades, ámbitos profesionais e ideolóxicos, que comeza a ser un referente na innovación da cultura galega contemporánea, principalmente no mundo da lingua, e que foi desde os anos 80 inxustamente apagada dos focos, dos libros de texto e dos principais espazos culturais e universitarios galegos até a chegada da Internet". Entrevista aos autores Sabela Fernández e José Ramom Pichel O documental pódese ver e descargar nesta ligazón |
NOS_9702 | O recoñecido politólogo Juan José Domínguez deu a coñecer este domingo un inquérito realizado en base a 3 mil entrevistas que dá como resultado unha vitoria da independencia de Catalunya. 53% das persoas enquistadas apoiarían o "si". | O analista político Juan José Domínguez –coñecido por atinar cos resultados nas súas sondaxes– vén de publicar unha enquisa que lle daría a vitoria ao "si" á independencia no referendo catalán por 53% dos votos fronte 47%. Aliás, segundo a sondaxe do politólogo, a participación sería de 82%. A enquisa realizouse sobre 3 mil entrevistas, das que 1.500 se realizaron en municipios seleccionados de forma aleatoria e outras 1.500 nos catro municipios máis representativos e significativos desde 1996 en relación dos resultados en eleccións xerais das catro circunscricións catalás, segundo explica o experto no seu blog. |
NOS_18217 | Ve "capacidade de resistir" pero recoñece estar preocupado polas UCI. O presidente da Xunta fixo as declaracións, após o Consello da Xunta, nun día no que foi preciso derivar a outras tres infectadas do virus desde o Hospital de Ferrol ao Lucus Augusti para reducir a presión da infraestrutura ferrolá. | O líder do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, afirmou hoxe, despois de presidir o Consello da Xunta, que existe unha "preocupación máxima" pola presión asistencial que están a padecer as Unidades de Coidados Intensivos (UCI) dado o ingreso continuado de infectadas da Covid-19. Porén, defendeu que a rede de hospitais do Sergas aínda ten "capacidade de resistir" sen ter que pór en marcha hospitais de campaña na Galiza. O presidente aclarou que as zonas que máis preocupan son as de Ourense, A Coruña e Compostela, seguidas de Ferrol e Pontevedra. En Vigo e Lugo a situación actual vai ligada a unhas demarcacións en "risco medio alto, pero non alto coma o resto". Preguntado polos medios sobre a estratexia da Xunta, Feixoo avisou de que non quere "improvisar" e defendeu que en Galiza "non" hai "20 hospitais" senón "un hospital que está a disposición de todos" e todas. "E ese hospital é o conxunto das camas da UCI e de planta do Sergas", comentou, aludindo a que as e os pacientes poderán "ir dun a outro en función da necesidade". Traslados de Ferrol a Lugo "Durante a pandemia aprendemos unha cousa, que do mesmo xeito que hai unha única Xunta e un único Sergas, hai un único hospital, que son o conxunto de camas que teñen todos os hospitais do Sergas", engadiu. De feito, esta mesma quinta feira comunicábase que tres doentes con coronavirus foron levadas desde o Hospital de Ferrol (CHUF) ao de Lugo (HULA). Fontes da Consellaría de Sanidade explicaron que "os traslados interhospitalarios da rede do Sergas estaban previstos no Plan de Continxencia como unha medida máis para poder dar resposta á situación cambiante que xera esta enfermidade". As tres persoas, que están en planta, foron levadas polos "criterios clínicos e organizativos". "A decisión de que vaian a un sitio ou a outro" acórdase entre as profesionais en función da presión que estea a padecer cada área. Semanas preocupantes con menor contaxio A nivel xeral, Feixoo asume que a realidade do país "non é fácil" neste momento porque o Servizo Galego de Saúde está "afeito a moita menos presión pola Covid". Non hai que esquecer que na primeira onda da pandemia na Galiza non houbo os mesmos niveis de afección que noutros territorios do Estado. "Hai lugares onde as UCI están ocupadas ao 58% ou ao 46%, nós estamos na metade, aínda temos capacidade para resistir", defendeu. En calquera caso, se non se resolve coa mobilidade das e dos infectados, na cuarta fase faríase o "despregamento de unidades de campaña". "Non prevemos unha diminución das ocupacións en UCI, se prevemos unha lixeirísima diminución da positividade, é dicir, de novos contaxios", alertou de cara ás próximas semanas. |
NOS_9118 | Trátase do segundo falecemento nesta semana, mentres o número de casos activos segue en aumento e sitúase, segundo os datos que vén de publicar a Consellaría de Sanidade, en 591. | Unha muller de 83 anos que estaba enferma de Covid-19 faleceu no Hospital dá Mariña na madrugada deste domingo, de acordo cos últimos datos da Consellaría de Sanidade. Este falecemento súmase ao dunha muller de 91 anos que morreu na sexta feira no hospital de Ourense e que era unha das afectadas polo gromo de Vilar de Barrio. Foi o primeiro falecemento en case dous meses na Galiza, posto que o anterior rexistrouse o 10 de xuño. Co da muller falecida na Mariña, unha das infectadas no gromo detectado a finais de xuño nesta comarca, son 621 o total de falecementos causados pola pandemia no territorio. Sanidade especificou que esta última vítima tiña patoloxías previas. Casos activos de Covid-19 A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 591, deles 302 son da área da Coruña, 74 da de Lugo, 41 da de Ourense, 43 da de Pontevedra, 83 da área de Vigo, 41 da de Santiago, e 7 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 2 están en UCI, 23 en unidades de hospitalización e 566 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.428 persoas curadas, rexistrándose 621 falecementos. O último foi o dunha muller de 83 anos que estaba ingresada no hospital da Mariña. Tiña patoloxías previas. |
NOS_11123 | Máis un semanario Sermos Galiza saído do prelo. Falamos do machismo nas aulas, entrevistamos Manuel Monge e Xosé Leal, falamos do negocio do resgate bancario na UE ou adentrámonos nos 40 anos de cultura caboverdiana en Burela. Todo isto, e máis, xa nos quioscos e na nosa loxa | A meirande parte dos grandes Concellos galegos teñen cedidos os servizos de abastecemento de auga, recollida de lixo, limpeza viaria ou transporte colectivo, e hainos tamén que confían en mans privadas outros como o alumeado público ou a axuda no fogar. A externalización de servizos, a análise en 'Concellos: máis de 300 millóns para as empresas privadas'. 'Coeducar para previr a violencia machista'. Aínda que o discurso dominante difunde a idea de que a igualdade está practicamente conseguida, as relacións entre homes e mulleres seguen a ser asimétricas e baseadas no abuso. No ámbito escolar, nin sequera os contidos do currículo educativo contribúen a visibilizar as mulleres. Neste contexto, a coeducación preséntase como o fío co que se tecerá a desaparición progresiva das desigualdades de xénero. A Xunta esmerouse en adulterar, rebaixar e recortar as obrigas e deberes que sobre a conservación da natureza estabelece a normativa estatal e da UE no anteproxecto da norma coa que a Xunta quere substituír a Lei de conservación da natureza de 2001. Facendo un remexido entre a lei do Patrimonio estatal e a norma de Castela e León, cun chisco da lei de Parques Nacionais, e unha redución da Directiva de Hábitats, cociña unha norma "Frankenstein" para deconstruír a protección da natureza. 'Lei de Patrimonio Natural, o corta, apega e rebaixa da Xunta'. É unha excepción en Europa que un Tribunal Constitucional se dote de prerrogativas sancionadoras contra aqueles que desobedecen os seus mandatos. Así o di a Comisión de Venecia, órgao consultivo do Consello de Europa. 'Un Estado excepcional en Europa'. "A Coruña non te que pagar nada por aquilo que sempre foi seu" Entrevistamos Manuel Monge. Na Coruña un potente movimento cívico acaba de pór na axenda a hipótese da realización dunha consulta popular sobre o futuro da fachada marítima da cidade. O obxectivo, evitar que se privaticen terreos públicos. 65 entidades agrúpanse na Comisión Aberta en Defensa do Común. Falamos cun dos seus integrantes, un clásico do activismo social na Galiza (e referente do combate pola recuperación da memoria). 'O feminismo aviva a loita a escala mundial'. As políticas reaccionarias teñen provocado novos retrocesos de cara á igualdade efectiva. Ao tempo, medio cento de países sumáronse ao chamado por unha folga de mulleres, que a CIG xa anunciou que impulsará en Galiza para o ano próximo. Os procesos electorais en Francia e Honduras tamén son debullados neste número do semanario. Negocios suculentos Os resgates bancarios na Unión Europea xeraron unha perda de 213.000 millóns de euros, unha inxente cifra para o negocio do oligopolio de auditorías e empresas de asesoría financeira. Importantes firmas que, embora o seu fracaso á hora de asesorar as entidades financeiras e non advertir sobre o perigo dos seus modelos de negocio, foron recompensadas con gran parte do pastel do resgate. 'O suculento negocio de resgatar bancos na Unión Europea'. En Análise, o secretario nacional de CIg-Banca debulla o que aconteceu co sistema financeiro galego e por que é mester investigar o que pasou. Non falta neste número a sección Fóra de serie, con achegas, propostas e ideas. No selfie-entrevista falamos con Bea Gómez, traballadora social e feminista. A xornalista e investigadora Montse Fajardo achéganos a Elvira Lodeiro González e Consuelo Acuña Iglesias, dúas mulles que foron fusiladas polo fascismo en Pontevedra. Da man do Colectivo Xea visitamos un dos lugares máis emblemáticos do Ribeiro, 'Pena Corneira'. Falamos con Xosé Leal (Bueu, 1981) á fronte da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra. Concelleiro de Novas Tecnoloxías en Bueu, é licenciado en Xornalismo e técnico superior en realización de audiovisuais e espectáculos. "A xente ten que sentirese partícipe da cultura e non excluída". De Batuko Tabanka a Ivandro Soares. '40 anos d cultura caboverdiana na Mariña'. Chegaron en 1977 para quedar e, con elas e eles, a súa cultura que -non sen dificultades- fomos coñecendo aos poucos. E vai máis alá de Batuko Tabanka. Ademais, non faltan as achegas de colaboradores. Luz Darriba, Nachortas, Manuel Veiga, Tokio, Xoán Costa, Mario Regueira, Andrés Castro, Manuel Xestoso, Pepe Barrou ou Olga Brañas. |
NOS_40227 | O festival de música de Combarro, unha referenza no panorama do rock galego, celebrarase os días 25, 26 e 27 de agosto e ofrecerá programación musical, teatral e infantil. | O Armadiña Rock, organizado pola asociación local Armadiña, celebra a súa novena edición, na que a organización pretende que o festival continúe a medrar e a afirmarse como referente no panorama musical galego. Nesta edición poderemos ver no palco destacados nomes do rock galego como Heredeiros da Crus, Dakidarría, Ruxe-Ruxe, Bala, Brinkadelia, Blues do País... Nesta edición poderemos ver no palco destacados nomes do rock galego como Heredeiros da Crus, Dakidarría, Ruxe-Ruxe, Bala, Brinkadelia, Blues do País, Carla Green & the Demons, Skarnivals, O Leo i Arremecaghona, Soul Breakers, Fanfarria Taquikardia e Delombaos. Listaxe á que se suman outras bandas como Talco, Def con Dos e Kitai. A programación non incluirá unicamente actividades musicais. O público participante tamén poderá asistir a conferencias, gozar de teatro de rúa e de embarcacións tradicionais ou achegarse ao Armadiña Kids, un espazo que ofrecerá actividades destinadas ao público familiar. |
NOS_41716 | Pesar no mundo da cultura polo falecemento dun profesional de dilatada experiencia na televisión e o teatro e unha persoa "excepcional" | Poucos rostros había máis populares na escena galega que o de Ernesto Chao. Sobre o palco dos teatros fixera parte dalgunhas das pezas chave da dramaturxia de todas as épocas, do Rei Lear de Shakespeare ao Galileo Galilei de Bertolt Brecht. Pero foi a televisión a que o converteu nunha presenza familiar para as galegas e galegos: entre 1995 e 2006 interpretou Miro Pereira na mítica serie da TVG Pratos combinados. E, con todo, Chao -que nacera en Ribadavia, unha das capitais galegas do teatro, en 1943, e morreu esta segunda feira en Compostela- non era unicamente un actor cómico. Nin unicamente un actor. En 1986 e 1987 dirixiu o Centro Dramático Galego. Foi presidente da Asociación Galega de Actores e Actrices. Prestou a súa voz ás mobilizacións en defensa do galego organizadas por Queremos Galego. Para o cinema traballou con José Luis García Sánchez -na adaptación de Divinas palabras (1987)-, con Carlos López Piñeiro na mítica Urxa (1989), ou nas Trece Badaladas (2002) -Xavier Villaverde sobre a novela de Suso de Toro. Un dos seus últimos papeis no audiovisual foi o de Xerardo Fernández Albor na teleserie Fariña. Coa súa propia compañía teatral, Lagarta, lagarta, montou de 2004 a 2011 obras como Unha hora na vida de Stefan Zweig ou O segredo dos Hoffman e obtivo varios premios María Casares."Un dos grandes piares do teatro galego tal e como o coñecemos agora", afirmou esta mañá nas redes sociais a Revista Galega de Teatro. Internet encheuse de condolencias, da Deputación da Coruña á Asociación Galega do Audiovisual ou o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez. Nota: fotograma da teleserie 'Fariña', en que Ernesto Chao intepretou o ex presidente da Xunta Xerardo Fernández Albor. |
NOS_45695 | Hoxe a familia Baltar asinou en Madrid un acordo coa Fundación Rosalía para depositar na súa Casa-Museo de Padrón o seu arquivo histórico, que inclúe valiosa correspondencia de Roalía, Murguía, Castelao, a RAG, Alfredo Brañas e outros. | Esta tarde asinouse na Madrid un acordo para traer de volta a Galiza, en concreto á Casa de Rosalía, o fondo documental de Ramón Baltar Beijoo e Ernesto Baltar Santaló, que inclúe máis de 400 cartas -moitas delas inéditas- de importancia para a historia deste país. O acto tivo lugar na Casa de Galicia de Madrid onde os fillos de Ramón Baltar Feijoo Dolores, Jacobo e Ernesto Baltar García-Peñuela asinaron con Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, o acordo mediante o cal o fondo pasa a instalarse na Casa de Rosalía. Neste arquivo contense importante documentación, maioritariamente inédita, composta por un total de 445 pezas procedentes da familia Baltar, gardada desde Ángel Baltar Varela e principalmente por Ramón Tojo. O seu ámbito cronolóxico vai desde o tempo en que Rosalía se instala coa familia na casa da Matanza (1883) até os anos vinte do pasado século. O conxunto componse maiormente de correspondencia e está organizado nos seguintes apartados: Rosalía de Castro; Manuel Murguía; Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; Real Academia Galega; Miscelánea (Pérez Lugín, Pardo Bazán, Alfredo Brañas, Nicasio Pajares, Aurelio Ribalta, Eugenio Carré…) e Cartas políticas (ministros, deputados, Marqués de Figueroa…) Autógrafos de Rosalía De entre todo o valor histórico do fondo cómpre destacar varios autógrafos de Rosalía (unha carta dirixida a Ángel Baltar), o diario do propio Ángel Baltar, amigo e protector da familia Murguía-Castro, onde se apuntan relevantes datos biográficos de Rosalía, a folla de servizos de Manuel Murguía, versos autógrafos de Ramón Rey Baltar e todo un caudal de correspondencia inédita (máis de catrocentas cartas) centrada especialmente en Ramón Tojo e a el dirixida por Manuel Murguía e a súa filla Alexandra, por Daniel Castelao e seu pai Mariano Rodríguez, por Eduardo e Rafael Dieste, César Vaamonde Lores, Ramón Rey Baltar, Andrés Martínez Salazar, Pérez Lugín, Pardo Bazán, Alfredo Brañas, Nicasio Pajares, Aurelio Ribalta, Eugenio Carré, Fortunato Cruces, Amor Ruibal, Pérez Ballesteros, etc. Ao longo de varias xeracións, a familia Baltar, vinculada a Padrón, mantivo unha estreita relación, moitas veces actuando de protectores, con algúns dos intelectuais, escritores e políticos máis importantes da Galiza contemporánea. Dolores, Jacobo e Ernesto Baltar García-Peñuela, fillos de Ramón Baltar Feijóo, fan depósito do arquivo familiar na Casa de Rosalía co obxectivo de que regrese a Padrón e poida ser coñecido e difundido. Neste sentido a Fundación comprometeuse a crear un espazo dentro da propia Casa de Rosalía para o fondo, que xa está contemplado no proxecto de reformas do sobrado, así como a dixitalizar o conxunto para facelo público e de acceso universal, a realizar unha publicación académica que o estude e a crear un premio de ensaio co nome de Ramón Baltar Feijóo para divulgar a importancia deste senlleiro legado. En próximas datas terá lugar un acto en Padrón, na Casa de Rosalía, para celebrar a recepción do mesmo. O presidente da Fundación valorou así a importancia deste depósito: "Trátase dun arquivo histórico dunha relevancia extraordinaria, que fala de feitos que afectan á Galiza de finais do XIX e principios do XX e afecta a figuras tan importantes como Rosalía, Castelao, a creación da RAG, etc. Aínda que está sen estudar, dado que aínda non puidemos acceder a todo, nesta documentación fálase da vida de Rosalía na Casa da Matanza que pode achegar datos novos á súa biografía". Para a Fundación, segundo Angueira, "é unha responsabilidade moi grande acoller un legado desta magnitude. É un fondo que nos obriga a facer moitas cousas: a estudalo, publicalo, dixitalizalo e expoñelo na Casa-Museo. E isto para unha Fundación de escasos recursos humanos e económicos. Pero que a familia Baltar pensase en nós é un orgullo e unha satisfacción extraordinaria, porque quere dicir que confían na nosa xestión". |
PRAZA_12942 | O informe negativo da Comisión Provincial de Patrimonio de A Coruña sobre a Declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para o convento de Santo Antonio de Herbón, en Padrón, significa, de facto, abalar as presións exercidas por algúns veciños e polo alcalde. Tamén evidencia un cambio radical da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia pois, ata Xaneiro deste ano, mantivo unha posición entusiasta e favorable ó BIC. | O informe negativo da Comisión Provincial de Patrimonio de A Coruña sobre a Declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para o convento de Santo Antonio de Herbón, en Padrón, significa, de facto, abalar as presións exercidas por algúns veciños e polo alcalde. Tamén evidencia un cambio radical da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia pois, ata Xaneiro deste ano, mantivo unha posición entusiasta e favorable ó BIC. Tratábase de acceder ó financiamento a cargo do 1% cultural do Ministerio de Fomento para rehabilitar uns espazos cedidos polos franciscanos para poñer en marcha un Centro Internacional pola Paz A iniciativa de solicitar a declaración de BIC foi promovida polo Seminario Galego de Educación para a Paz, a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, a Sociedade Cooperativa Viravolta e a Fundación Convento de Herbón. Tratábase de acceder ó financiamento a cargo do 1% cultural do Ministerio de Fomento para rehabilitar uns espazos cedidos polos franciscanos para poñer en marcha un Centro Internacional pola Paz onde tería tamén unha sede externa a Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, o futuro Centro UNESCO de Galicia, e a Fundación Cultura de Paz que preside Federico Mayor Zaragoza, comprometido -desde hai anos- co proxecto e ó que doaría unha parte moi substancial da súa biblioteca e documentación persoal. Sería un Centro con Salón de Actos, Sala de Exposicións Permanente (base dun futuro Museo da Paz), aulas, Biblioteca e Videoteca, para ofertar a colexios e institutos, ONGs e un lugar de encontro internacional sobre paz e dereitos humanos. A Asociación de Amigos do Camiño pretendía instalar non só un Albergue de Peregrinos, que xa mantén na actualidade, senón un Centro de Estudios Xacobeos. Pola súa parte, a Sociedade Cooperativa Viravolta establecería unha Casa de Acollida para nenos en situación de risco e de exclusión social. O proxecto de rehabilitación e de execución de obra, magnífico, o fixo un arquitecto galego de prestixio, Pedro de Llano e no documento xustificativo participaron catedráticos ben recoñecidos. Desde finais de 2009 estivemos pulando por esta iniciativa, de enorme interese para Padrón e para Galicia, ata que, en Outubro de 2011, entreguei persoalmente toda a documentación necesaria en Madrid, no Mº de Fomento, que daquela aínda presidía Xosé Blanco. Había un acordo absoluto na adecuación do proxecto ó 1% cultural e comprometemos 700.000€ para a rehabilitación de Herbón e a posta en marcha do Lar da Paz. Nada menos que a propia Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega emiten informes favorables. Que pasou entón para que esta sintonía empezara a desafinar? Ata aquel momento, Patrimonio, o seu Director, José Manuel Rey Pichel, e a súa Subdirectora, María Diz, cos seus propios técnicos, apoiaban de maneira entusiasta o proxecto, de feito, en Outubro de 2011 aproban a incoación do expediente de declaración de BIC (DOG, 31 de Outubro, 2011). Nada menos que a propia Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega emiten informes favorables. Que pasou entón para que esta sintonía empezara a desafinar? Caciquismo de manual. Nada novo en Galicia, máxime cando se quere avanzar na protección do medio natural ou cultural. Por iniciativa dalgún veciño con intereses particulares preto do convento, con expectativas de negocio, e a colaboración incomprensible da alcaldía, o 23 de Xaneiro, convócase unha Asemblea "popular", nunca mellor dito, á que non se invita ás partes promotoras da iniciativa. Nesa reunión, o propio Alcalde, nunha actitude de enorme irresponsabilidade alerta á veciñanza dos perigos da declaración BIC para Herbón, que si non van poder mover unha pedra sen permiso, que si terán que ocultar os invernadoiros con tullas, que Patrimonio terá que autorizar previamente calquera modificación... Caciquismo de manual. Nada novo en Galicia, máxime cando se quere avanzar na protección do medio natural ou cultural Alí mesmo anuncia alegacións do Concello contra do BIC, un mes fora de prazo, e tamén a recollida de sinaturas na parroquia. Neste ambiente enrarecido, en Herbón, empezan as ameazas contra do convento e o seu prior, Roberto Freire, contra a Asociación Sementar, chamadas telefónicas, envelenamento dunha cadela dos franciscanos... caciquismo de manual. E recolléronse sinaturas, moitas que non son de Herbón, outras que non saben exactamente o que piden, e entréganse en Patrimonio. É certo qie non se pide a paralización do BIC pero, coa boca pequena e coas actuacións, ese é o obxectivo principal. As presións institucionais (e políticas) do Alcalde non paran. Visitas á Comisión Provincial, á Dirección Xeral, especialmente para impedir o perímetro de especial protección (uns 150 metros) arredor da muralla do convento, unha medida que foi imposta unilateralmente por Patrimonio e que non estaba (nin está) na solicitude de BIC. Mentres vémonos co Alcalde en varias ocasións co ánimo de introducir racionalidade e buscar a mediación de Patrimonio, mesmo pedimos unha reunión, por escrito, nas dependencias da Xunta, para chegar a un acordo. E Patrimonio, sorprendentemente, inhíbese. Ata o 2 de Maio pasado. Ese día, o propio Director Xeral en persoa, e o Alcalde de Padrón, presionan á Comisión Provincial e forzan unha votación contraria ó BIC. Tan só Carlos Amoedo Souto, vogal da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico, en representación da Universidade de A Coruña, resiste as presións e emite un voto particular que merece ser coñecido, pois describe, con rigor, todo o que pasou ata hoxe. En realidade, son cada vez máis as opinións que manifestan, pública e privadamente que, detrás de todo este asunto, acochan escuros intereses inmobiliarios, para Herbón e a súa contorna Non deixa de sorprender que persoas de prestixio recoñecido, defensoras inequívocas do noso patrimonio, aceptasen as argumentacións manifestadas na reunión para emitir informe desfavorable alegando, que casualidade!, enfrontamentos veciñais ou posibles interferencias na explotación económica do pemento? En realidade, son cada vez máis as opinións que manifestan, pública e privadamente que, detrás de todo este asunto, acochan escuros intereses inmobiliarios, para Herbón e a súa contorna. A Dirección Xeral de Patrimonio decidirá en breve. Confiemos en que sexa a favor do noso patrimonio e da nosa cultura... si non é así, quero anunciar, desde xa, que recorreremos, que demandaremos da maioría política no Concello de Padrón (pois o alcalde goberna en minoría) actuacións coherentes e claras en favor do BIC, pediremos a mediación do Consello da Cultura e da Universidade de Santiago... pois nin Padrón, nin Galicia, poden permitirse semellante disparate. |
NOS_17433 | Do 9 ao 12 de decembro, entre as 12 horas e as 13.30 horas, o mercado do Progreso de Vigo acubilla catro 'showcookings' para valorizar o produto fresco e de proximidade cos prestixiosos chef do restaurante Maruja Limón Inés Abril e Rafa Centeno. | Os chefs Inés Abril e Rafa Centeno participan os días 9, 10, 11 e 12 de decembro, entre as 12 e as 13.30 horas, en catro 'showcookings' no mercado do Progreso, en Vigo. Baixo o patrocinio de Autoservicios Familia, os cociñeiros do Maruja Limón farán unhas demostracións en que o produto fresco será o protagonista. Na actividade, Abril e Centeno elaborarán algún dos pratos máis emblemáticos da súa cociña, mais non só. Tamén elaborarán menús especiais pensadas para as celebración do Nadal. O mercado do Progreso conta cunha ampla proposta comercial con estabelecementos de froitas e verduras, carnes, peixes, queixos e embutidos, xamóns, pans especiais e sobremesas caseiras, entre outras. 33 postos e un supermercado A praza acolle un total de 33 postos que, ademais, contan con servizo de entrega a domicilio. A oferta compleméntase coa presenza dun supermercado de Autoservicios Familia, cos "mellores prezos de toda a cidade en produtos de alimentación fresca e envasada", apunta a firma, que convida a participar do 'showcooking' en directo, coas restricións pertinentes e coa capacidade permitida, ou ben a través das redes sociais do propio mercado e de Familia. Con estes vimbios, os chefs de Maruja Limón proporán solución actuais e sorprendentes para levar á mesa produto galego e de calidade. |
PRAZA_970 | O TC terá que ditaminar se o novo reparto de iniciativas, que impide por primeira vez que todos os grupos lle poidan preguntar a Feijóo en cada sesión de control, vulnera os dereitos parlamentarios do Bloque. | Como en tempos de Fraga. O Tribunal Constitucional volverá ter que ditaminar, máis de vinte anos despois, se unha Mesa do Parlamento de Galicia controlada polo PP está a vulnerar os dereitos parlamentarios do BNG. O portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, acudiu este luns á sede do TC en Madrid para, xunto co voceiro da formación na Cámara galega e a deputada Carme Adán, rexistrar un recurso de amparo contra o recorte de iniciativas decidido pola Presidencia para encaixar o Grupo Mixto e que ten como principal consecuencia que, por primeira vez, non todos os grupos poidan formularlle preguntas ao presidente da Xunta en cada sesión de control. O recorte de iniciativas e a xuízo de Vence, "un recorte na calidade da democracia na Cámara" que "vulnera o dereito do grupo parlamentario do BNG e, de paso" os "dereitos dos cidadáns representados através dos parlamentares do BNG". A decisión, apunta o líder nacionalista, supón unha "interpretación arbitraria" do Regulamento parlamentario baseada nas "directrices do PP", aínda que iso supoña "non axustarse a dereito" nin ás propias normas internas do Parlamento. "Non imos renunciar aos nosos dereitos de facerlle preguntas ao presidente do Executivo nin ao noso cupo de iniciativas" aínda que a Presidencia teña o "propósito" de "reducir a voz e a calidade democrática" no lexislativo, afirma. Jorquera resalta que o novo reparto implica que rixan "unhas normas para uns grupos e outras, para outros" "Estamos dispostos a dar a batalla", asegurou Vence ante a sede do Constitucional nun contexto no que, explica Jorquera, o Bloque presenta o seu recurso porque o órgano reitor da Cámara "está a conculcar un dereito básico do grupo do BNG", ademais de "dificultar o debate político". "É unha decisión -resalta- que se toma conculcando as garantías procedimentais básicas", xa que implicou "cambiar normas en vigor para darlle á decisión un falso revestimento de legalidade". Todo isto, di o deputado, dá como resultado práctico que se aplican "unhas normas para uns grupos e outras, para outros" aludindo a unha supsta "modificación da composición do Parlamento" cando "hai un dato obvio: o grupo parlamentar do BNG é o mesmo" e "segue a ter a mesma composición" que no inicio da lexislatura. "Unha casca baleira" Alén do recorte concreto o Bloque enmarca este recurso no afán de frear o que, a xuízo de Carme Adán, é un conxunto de "anomalías democráticas no Parlamento galego". Así, indica Jorquera, Feijóo "négase a comparecer sistematicamente, ten convertidas as sesións de control en sesións de preguntas á oposición" e, ademais, "bloquea sempre as comisións de investigación" que pedía impulsar durante a súa etapa na oposición. "Eu mesma -exemplifica Adán- fun expulsada pola Presidencia" por "facer uso do Regulamento" e reclamar "dereito a intervir dez minutos" durante o debate dunha interpelación, quenda que foi restituída no pleno seguinte. "Non estamos dispostos a que o Parlamento se convirta nunha casa baleira" e por iso, di, este tipo de reclamacións supoñen "unha obriga moral". |
NOS_31139 | Conversamos con Maria Lado no 'Caderno de Verán'. | Como poeta e integrante de Aldaolado, ten moito traballo este verán ou vai poder coller vacacións? Pois teño bastantes encargos de escribir e tamén moitos bolos con Aldaolado entón será un verán moi parecido ao resto do ano, non vai cambiar moito esta época, por sorte. A única diferenza que noto é que están os meus fillos na casa porque non teñen escola. Ás veces faise complicado compaxinalo todo, o meu compañeiro ao ser músico tamén ten moito traballo durante o verán, entón resulta algo estresante. Pero estou moi agradecida, ultimamente vexo que a xente quere saír e desfrutar de espectáculos, despois dun ano tan duro é normal. Aínda que neste verán teña moito traballo, algo de tempo libre terá. Que actividades lle gusta realizar? Descansar, a verdade é que estou esgotada. Tamén me gusta ler e saír de excursión cos meus fillos a calquera sitio, é o que máis facemos. Ademais sempre imos visitar a familia e amizades, maioritariamente á Costa da Morte e a Compostela. Eu chámoas "as vacacións de pobres" esas de pasar o verán nas casas dos nosos coñecidos. Nese sentido a Covid non cambiou moito as miñas vacacións porque sempre estamos en familia e, cando facemos algunha saída, ao aire libre. Ademais dos sitios que comenta, hai algún lugar onde lle guste especialmente pasar as vacacións? A Costa da Morte. Eu son de Cee entón gústame moito ir aos lugares que relaciono coa miña infancia: pequenas praias da zona, a praia de Carnota, visitar tamén algún faro... en xeral andar polos concellos dos arredores. Podería recomendar un libro, unha película ou o que queira para estas vacacións? Recomendo os programas de Videodrome, de RTVE, para min é como ver unha película pero escoitando; son moi transversais. No referido á literatura, estou lendo a Rompente, de poesía vangardista e moi dos oitenta, e tamén un libro para xogar que se chama Crimes Ilustrados. É obra de Modesto García e trátase de diferentes ilustracións e o obxectivo é resolver pistas para descubrir un misterio. Son xogos de dedución interactivos e bastante difíciles, está moi ben. |
NOS_35658 | Kreator, While She Sleeps ou Bala serán algúns dos moitos grupos que actuarán este verán en Viveiro, nunha edición "limited" do Resurrection Fest, para un número de público "moi" reducido. Os abonos sairán á venda esta semana. | Finalmente este verán si haberá Resurrection Fest. "Aos poucos vemos a luz ao final do túnel, e este verán, a pesar da situación en que vivimos, demostrouse que a cultura é segura con centos de concertos en todo o país e sen incidencias", sinalan nun comunicado desde a organización do festival. Por iso os organizadores decidiron levar adiante "un pequeno Resurrection Fest" ao que denominan "limited" por contar cunha capacidade de público moi reducida en comparación con outros anos. Así pois haberá de novo concertos na Mariña nun festival que quere servir de "estímulo para a economía local que tanto sufriu durante todos estes últimos meses, sendo un reforzo moi necesario para a nosa localidade, Viveiro, e a súa xente, que tanto nos dá cada ano, e tamén para todo o persoal, autónomos e outras pequenas e medianas empresas que fan posíbel o festival", afirman no comunicado. Serán tres días de concertos, do 26 ao 28 de agosto, no recinto habitual, o Campo de fútbol de Celeiro. Sinalan ademais que se contará con todas as medidas de seguridade e prevención posíbeis seguindo a lexislación vixente actual e "sempre atendendo á situación epidemiolóxica na que nos atopemos nese momento". Esas medidas serán público sentado, capacidade reducida, distancia social, máscaras, desinfección... O escenario do Resurrection Limited acollerá os concertos de Kreator, While She Sleeps (único concerto no Estado), Eluveitie, Jinjer, Destruction, The Ocean, Angelus Apatrida, Crisix, No Turning Back, Landmvrks, Bala, Devil In Me, Aphonnic, True Mountains e Bellako Os abonos de tres días poderán comprarse desde esta sexta feira, 6 de agosto, a un prezo especial de oferta que a organización do evento indicará nos próximos días na súa web e redes sociais. E para quen non poida asistir e tras o éxito da anterior edición, realizarase un Resurrection Fest En liña en datas futuras ao festival do cal informarán máis adiante. Dese modo, tanto as e os asistentes como os non asistentes poderán gozar do festival. |
NOS_30599 | O estudantado ten denunciado a vulneración do seu dereito a se desenvolver en todos os eidos da vida universitaria en galego. Os servizos de normalización lingüística da UVigo, a UDC e a USC aseguran que esta liberdade "non está cuestionada", mais lembran a obriga do profesorado de comprender a lingua. | As redes sociais foron nas últimas datas o foco dun intenso debate sobre os dereitos lingüísticos do alumnado universitario na Galiza. Unha estudante de mestrado da Universidade de Vigo (UVigo) denunciaba publicamente a resposta que unha docente lle dera a unha pregunta sobre a materia formulada en galego: "Non estou moi segura do que me preguntas, pola lingua. Non son galega senón andaluza e cústame moito entender o galego, polo que, se non che importa, por favor, escríbeme en castelán para que entenda ben que me preguntas e contestar axeitadamente as túas preguntas. Desculpa, mais non sei galego". Un tempo atrás, o pasado mes de novembro, un alumno da Universidade da Coruña (UDC) alertara tamén dunha situación semellante. Daquela, a profesora puxera trabas para avaliar un traballo escrito en lingua galega: "Finalmente, paréceme xusto comentarche que non podo corrixir a redacción en galego, como xa imaxinarías. Os textos que non entendo tradúzoos en Google, e valorarei a redacción segundo o texto que me dea". Liberdade de elección coa obriga de coñecer o galego "Malia que a profesora en cuestión non é da UVigo, senón da Universidade Complutense de Madrid, e só colabora nesa materia, ningunha docente pode responder así. O alumnado ten o dereito irrenunciábel de se expresar en galego, e en todo caso é a profesora quen ten que buscar os medios para entender a mensaxe, aínda que tampouco debería ter grandes problemas de comprensión ao tratarse dunha lingua románica", sostén, en declaracións a Nós Diario, o responsábel da Área de Normalización Lingüística da UVigo, Fernando Ramallo. Tamén a UDC condenara no seu momento a reacción da docente que se negara a corrixir en galego: "Ela ten o dereito a escoller o idioma no que quere impartir as aulas, mais ten o deber e a obriga de coñecer o galego", expuxera daquela a este xornal o secretario xeral do centro, Carlos Aymerich. "O dereito a empregar o galego na universidade está garantido, e atendemos calquera queixa ou suxestión ao respecto", resaltaron nesta segunda feira as fontes consultadas do Servizo de Normalización. O responsábel deste departamento na USC, Manuel Núñez, matiza que, posto que tanto o galego como o castelán son linguas oficiais na Galiza, a elección dunha ou outra na docencia "depende do profesorado", mais o alumnado conserva o seu dereito a ser atendido no idioma propio do país: "Se un ou unha alumna decide empregar o galego de forma oral ou escrita, o persoal docente debe entendelo e respectalo, e o mesmo acontece cando se imparte unha aula en galego e piden mudar ao castelán porque hai xente de fóra. Nese caso, a profesora ou profesor non ten por que deixar de usar o galego", explica. Desde os departamentos de normalización das tres universidades salientan que tanto o profesorado como o alumnado dispón de cursos de lingua galega para non falantes: "O noso labor é asesorar e ofrecer formación a quen a precise, e sempre acostuma a haber unha alta demanda nos cursos de galego", di Ramallo. Moito coñecemento e pouco uso da lingua A raíz destas publicacións, xurdiu unha polémica arredor dunha cuestión esencial: está garantido o dereito a se expresar en todos os ámbitos da etapa universitaria en lingua galega? A Universidade de Vigo publicou en 2018 un estudo sociolingüístico sobre o uso do galego na institución. Deste informe extráese un dato salientábel: malia que 92% do profesorado recoñece non ter "ningunha dificultade" para comprender a lingua galega e 75% para falala, só 23% emprega sempre o galego nas aulas e 16% faino "maioritariamente". O resto, máis da metade, usa única (22%) ou maioritariamente o castelán (31%). E hai outro aspecto reflectido no documento que cómpre pór en valor: "Cando calquera docente utiliza o galego de forma habitual, o alumnado faino até 75% sempre ou maioritariamente". Porén, se o castelán é o idioma escollido, esta porcentaxe redúcese á metade. Esta situación repítese nas outras dúas universidades galegas con datos moi semellantes. No tocante á USC, os datos facilitados polo Servizo de Normalización neste curso 2020-21 amosan un escenario prexudicial para o galego: tres de cada catro aulas impártense en castelán. Nas tres institucións, o uso do galego varía en función do ámbito de coñecemento. Así, hai unha importante eiva nas titulacións de Ciencias da Saúde, mentres si predomina en Humanidades e Ciencias Sociais. Esta dicotomía obsérvase especialmente na USC: 97,6% das horas lectivas impártese en castelán na Facultade de Medicina, fronte a 99,9% do galego en Ciencias da Comunicación. A lexislación garante o uso do galego A Lei do Sistema Universitario da Galiza de 2013 dispón que o galego, como propia do país, é a lingua "de uso normal nas actividades das universidades", e o seu uso encoméndase ao estabelecido na Lei de Normalización Lingüística de 1983: "O profesorado e o alumnado no nivel universitario teñen o dereito a empregar, oralmente e por escrito, a lingua oficial da súa preferencia [...] O Goberno galego e as autoridades universitarias arbitrarán as medidas oportunas para normalizar o uso do galego". Este dereito tamén está recollido nos estatutos das tres universidades. A UDC sinala o galego como o "vehículo normal de expresión", mentres a USC engade que a institución "potenciará e garantirá o uso pleno da lingua galega en todos os ámbitos". Tamén a UVigo salienta a protección dos dereitos lingüísticos. |
NOS_36228 | 'O livro da montaría', unha das obras portuguesas máis notábeis do S. XV, foi atopado recentemente no Arquivo Histórico Provincial. Mais a responsabilidade do achado ten nomes e apelidos diferentes aos das arquiveiras citadas polos comunicados oficiais. E ten a orixe nunha apaixonada investigación sobre os órganos históricos de Galiza. | A finais de febreiro a nova aparecía en non poucos medios de comunicación, que se facían eco dun comunicado da asociación galega de arquiveiros: Achan no Arquivo Histórico de Lugo fragmentos do 'Livro da montaria' de João I de Portugal, que se daba por desaparecido. María Díaz Bernárdez e Paloma Gómez Varela, arquiveiras do Arquivo Histórico Provincial (AHPL) de Lugo, eran citadas nese comunicado como responsábeis do achádego e afirmando mesmo que o estado de conservación dos pregos atopados é "moi bo en xeral".Lembraban que "é unha das obras portuguesas máis notables do século XV". "Fíxenlles saber (xa en 2011) ás arquiveiras que naquel documento poñía que alí había música e non era de música, senón un tratado de monteiría" Unha das persoas que ao ler a nova deu un chimpo, como el mesmo recoñece, é Andrés Díaz. Profesor, investigador, integrante do grupo de música medieval Martín Codax e do Grupo 1500... O motivo da sorpresa, explica, é que ese achádego non pode ser atribuído ás arquiveiras. A súa compañeira de investigacións no universo dos órganos, organistas e organeiros en Galiza, Belén Bermejo, explícao con claridade: "Atribúense un mérito que non lles corresponde". Protocolos de notarios Andrés Díaz enceta o relato dos feitos, que comezan hai tres anos, a principios de 2011: " Fun ao Arquivo de Lugo na procura de contratos dos órganos nos protocolos dos notarios. E buscando neses notarios de Monforte... atopei a José Benito López de Guitián. As gardas dos seus protocolos estaban en letras góticas e era moi bonito. E observei que tiña a palabra monteiría, polo que puxen iso nas miñas anotacións entre interrogantes". Ese documento ao que se refire é o 'Livro de Montaría' de Joao I de Portugal. "Non fai falla ir a un código de boas prácticas e deontolóxico dos arquiveiros...antes da sacar a noticia, fala coa persoa que o descubriu" Este profesor afirma que xa entón "fíxenlles saber ás arquiveiras que naquel documento poñía que alí había música e non era de música, senón un tratado de monteiría". Reparar no que non se reparara Andrés móstrase humilde. Reitera que o protocolo no que atopou iso está "ordenado e catalogado, pasou por mans dos arquiveiros, que non repararon niso. Non é que eu atopase algo que non estivese catalogado. Isto xa pasara polas súas mans. Alguén xa viu esas gardas e que estaba en letras góticas...". Mais ninguén ata que chegou el en 2011 reparara en que non era un documento de música 'calquera'. Mais a historia segue. O 21 de febreiro de 2014, tres anos despois, o propio Díaz pediu ao Arquivo "a dixitalización deses protocolos de Monforte. Preguntáronme se os quería para publicar ou non, pois a taxa é diferente. Paguei 18 euros polo conxunto do CD e todas as imaxes". E poucos días despois, "atopo nos medios que se descubre un tratado de monteiría inédito. Foi unha sorepresa, e algo desagradábel". El mantén que a súa idea "era simplemente mirar ese documento, e intentar identificar o que era e despois levarllo a alguén que verdadeiramente saiba". Ética profesional e humana Para Belén Bermejo, o que aconteceu mostra unha "falta de ética. Un sabe o que ten que facer nestes casos. Non fai falla ir a un código de boas prácticas e deontolóxico dos arquiveiros...antes da sacar a noticia, fala coa persoa que o descubriu". "Atribúense un mérito que non lles corresponde", sentencia E tanto ela como Díaz poñen exemplos de colaboración entre investigadores, de partillar descubrimentos, de profesionais que agradecen os apontamentos e achegas feitas... Mais tamén falan da outra cara da moeda. "Xa nos pasaron varias cousas así", din, en referencia ao caso das arquiveiras. De Pascual Veiga a Monforte e Valdeflores Lembran, cunha mirada de paciencia e ironía, casos que lles pasaron ao longo destes anos. "No ano Pascual Veiga fomos á Real Academia Galega onde hai un fondo Pascual Veiga. Alí vimos unhas partituras que pensamos descoñecidas, algunha en galego. Ía transcribilas con lapis e papel, que era o que levaba enriba nese momento, mais dixéronme que non fixera iso, que non facía falla, que eles mo mandaban dixitalizado". E esperaron ese envío. E, como din, "esperamos, esperamos, esperamos... e nunca chegou. Preguntamos, e dicíannos xa no 2007 que había un investigador que ía sacar unha edición desas partituras... pero até hoxe, nada". Ou sexa, unha porta pechada a coñecer máis sobre a obra (pode que até inédita) de Veiga. E enumeran máis casos. O dun convento de Monforte con antiguas partituras de música en cifra para órgano (pode que algunhas das cales podían ser de gran importancia). A responsábel do 'arquivo' pasou dunha colaboración inicial a, segundo intuía o que se atopara, a pechar a vía a todo estudo e colaboración. No mosteiro de Valdeflores, en Viveiro, pasoulles un caso similar cun arcón con música e cartas dunha monxa con músicos como José Pacheco Ou tamen o do Mosteiro de Valdeflores, en Viveiro. Alí, no ano 2008 durante as visitas previas á catalogación dos órganos, a monxa organista lles informou da existencia dun "arcón" con música, cartas dunha monxa con músicos, entre eles José Pacheco mestre de capela de Mondoñedo e pode que música orixinal. Comentaron este feito cunha profesora e pianista galega, ofrecéndolle que colaborase na investigación deste fondo e, cando decidiron ir a investigalo atoparon que, sen avisarlles, xa fóra pola súa conta a pianista sen lles dicer nada. Os órganos Andrés e Belén, xunto con Marisol Mendive, comezaron en 2008 un ambicioso proxecto de catalogación dos órganos existentes en Galiza. Un universo rico e complexo que era (e é) absolutamente descoñecido. "A primeira parte do proxecto financiouse co bipartito, mais despois cos cambios de goberno... parouse. Quedou a medio catalogar". "Era un proceso ambicioso, complexo, que tiña un proceso de arquivo, con parte histórica, valoración do estado dos órganos, definición de criterios de intervención... Mais nós continuamos pola nosa conta, descubrindo órganos e facendo o traballo de arquivo pois estaba todo por facer". E froito dese traballo de arquivo.... atopouse un inédito da literatura portuguesa do século XV. |
PRAZA_7886 | O grupo de Aymerich non ve viable que á cita asemblear de marzo concorra unha lista única ao discrepar na necesidade de "revisar" o labor do Bloque dende finais dos 80 e ao defender a necesidade de "unidade" do nacionalismo | "Pensamos que é un erro absoluto facer unha revisión do que fixo o BNG dende a asemblea do Carballiño (1987)". É unha das conclusións que se tira no entorno de Abrente, a corrente interna do BNG que lidera o vicevoceiro parlamentario da formación frontista, Carlos Aymerich, e que o pasado sábado no Consello Nacional se desmarcou, pola vía do voto particular, do documento base da vindeira asemblea. Despois de que na segunda metade de 2012 tanto dende a dirección nacionalista como dende o grupo de Aymerich se ofrecesen sinais tendentes a limar diferenzas, tamén cara ao exterior, as discrepancias a un mes da cita asemblear complican o que nalgúns sectores se vía como a situación máis axeitada: que a nova dirección do Bloque fose resultado dunha única lista sometida á aprobación da asemblea. Segundo as fontes de Abrente consultadas por este diario boa parte das discrepancias aséntanse en que "o que latexa por tras" do documento, a devandita "revisión", supón "volver atrás", cara a un modelo máis semelante ao antigo Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG) que ao actual BNG. No seo desta corrente, que o vindeiro sábado se reunirá en asemblea en Santiago, percíbese que "a maioría" procura "unha organización cun partido hexemónico e con independentes arredor" que tome "o camiño contrario ao que se fixo nestes anos, de achegarse á sociedade" porque interpretan que a formación se converteu "nunha máquina electoral". Abrente considera que o documento base tende a "levantar valados no nacionalismo" Xunto á revisión da traxectoria, as diferenzas manifestadas por Abrente están tamén vinculadas á posibilidade de camiñar cara á recomposición da "unidade do nacionalismo" e ao xeito de facelo. "Unha cousa é que a sociedade queira que se lle digan as cousas claras e con toda a radicalidade que sexa necesaria" sobre "os problemas que padece no día a día", explican as mesmas fontes, en cuxa opinión o que non é acaído é "entrar en debates que o único que perseguen é levantar valados no campo do nacionalismo, cando co que hai que facer é deitalos abaixo", non avaliar "quen é nacionalista puro ou suposto nacionalista", din. Neste sentido, tampouco consideran "conveniente" que o "roteiro" do Bloque deba ser procurar alianzas con forzas do independentismo. Neste contexto, a dirección de Abrente, a comezar polo propio Aymerich, explicaranlles o vindeiro sábado aos membros da corrente as circunstancias que levan a "chegar á asemblea" do 17 de marzo "con todo aberto". "Unha cousa é que permanezamos leais ao BNG e outra, que abdiquemos das nosas ideas", resumen, para ilustrar que neste escenario ven "imposible" que "vaiamos nunha lista unitaria, cando non compartimos unhas posicións que supoñen unha revisión" da práctica política dos últimos anos. Segundo confirman as fontes consultadas estas posicións fóronlles trasladadas aos membros de Abrente a través dunha carta asinada por Aymerich para convocalos á asemblea do sábado. |
NOS_13419 | A curtametraxe Limbo, do coruñés Dani Viqueira, foi premiada o pasado 20 de outubro co Mèlies de Prata no Festival Court Métrange de Rennes. Este recoñecemento coloca o filme na competición polo Méliès de Ouro á mellor curtametraxe fantástica europea, que se outorgará en 2020. | Até hai relativamente pouco, facer cinema fantástico ou ciencia ficción en galego soaba á imposibilidade que o propio xénero transmite coa realidade. Porén, desde o apoteótico éxito de Dhogs, semella que máis autores se atreven a deixar voar a imaxinación. E vaites cos resultados. Dani Viqueira estreaba na Galiza na última edición do Festival de Cans a súa primeira curtametraxe en solitario, Limbo. A peza leva xa un percorrido por festivais internacionais deste xénero, sendo unha das curtametraxes con máis seleccións no último ano, co Premio do Xurado no Terroríficamente Cortos ou a Mellor Curtametraxe no Grimmfest de Manchester. Levou tamén o galardón a Mellor Guión Galego na última edición do Curtocircuíto, outorgado pola Asociación de Guionistas Galegos, e Premio do Xurado a Mellor Curtametraxe de Ficción no Festival de Cans. Após pasar o último mes polo Ourense Film Festival (OUFF) e o Festival de Cinema Fantástico da Coruña (FKM), proxectase na cuarta feira 24 de outubro dentro da programación da Semana de Cinema de Autor de Lugo. Limbo conta a historia de Xosé quen, incapaz de aceptar a nova realidade da súa vida, remata caendo nunha espiral de autodestrución pola que arrastra a súa muller e a súa filla. Con fotografía de Lucía C. Pan e música do compositor e zanfonista Germán Díaz, clasifícase dentro do cinema de terror. Xurado do Festival Court Métrange decidiu outorgarlle o Méliès de Prata, galardón que honra un dos ideólogos do cinema como mecanismo da fantasía e a imaxinación, o ilusionista George Méliès. A competición forma parte da Méliès International Festivals Federation (MIFF), unha rede de 25 festivais de 19 países que promove internacionalmente o cinema fantástico europeo, outorgando un dos galardóns máis importantes do cinema fantástico a nivel internacional, o Méliès de Ouro, ao cal optará o filme do coruñes. |
NOS_11874 | Lluís Corominas, presidente do grupo parlamentar de JxS, asegura que todo se vai facer "dentro das normas e da lei." Benet Salellas, CUP, dixo que esta lei era unha "lei de país". | A Lei do Referendo está asinada por todos os deputados e deputadas de Junts pel Si e a CUP, nun xesto simbólico co que expresar unidade e determinación de cara a afrontar a recta final do referendo do vindeiro 1 de outubro. Unha recta final que comeza esta segunda feira, 31 de xullo, coa presentación no rexistro do Parlament da lei que ha permitir que se realice ese referendo. Ambos os dous grupos inician o trámite da norma poucas horas antes de que o Tribunal Constitucional teña a xuntanza na que posibelmente tombe a reforma do regulamento do Parlament pensada para 'axilizar' a desconexión. Lluís Corominas, presidente do grupo parlamentar de Junts pel Si, sinalou que a lei rexistrouse polo trámite de urxencia extraordinaria e incidiu en que todo vai decorrer no marco do "regulamento e a legalidade". No rexistro da norma estivo acompañado por Jordi Orobitg e Marta Rovira (JxS) e Benet Salellas e Gabriela Serra, da CUP. Benet Salellas á súa vez dico que esta norma era unha "lei de país" e anunciou que procurarán apoios para alén de JxS e CUP, nunha mensaxe dirixida a Catalunya si que es Pot. Calendario Segundo Nació Digital, o calendario dos independentistas pasa por reunir a Mesa do Parlament o 16 de agosto e decidir aí se admite ou non a trámite esta lei. Ciudadanos e PSC reclamaron a pasada semana que a Mesa se reunise tan pronto se presentase a norma que posibilita o referendo mais esa solicitude foi desbotada pola maioría. |
PRAZA_297 | As auxiliares que constrúen o buque da petroleira mexicana incumpren os acordos con Navantia de 2001, reducen os salarios, non pagan complementos pactados e obrigan a traballar ata doce hora seguidas. Os sindicatos preparan xa un calendario de mobilizacións. | Naquel preacordo que Núñez Feijóo asinara con Pemex en setembro de 2012, o presidente da Xunta falara duns "3.000 empregos para os próximos dous anos" nos estaleiros galegos pola construción de dous floteis. En sucesivos anuncios, a Xunta prometeu estes dous buques hotel, pero tamén catorce remolcadores, dous quimiqueiros e a segura construción da frota menor da petroleira mexicana por parte de empresas de Galicia. Non foi tanto así. Dos milleiros de empregos prometidos, no flotel de Pemex traballan unhas 300 persoas en Ferrol No que se refire aos floteis, polo medio Pemex fíxose por 5,1 millóns de euros co 51% de Barreras a través dun acordo que implica tamén transferir a México a tecnoloxía e os coñecementos dun estaleiro histórico e centenario. E a construción de varios barcos, entre eles ese buque hotel. O outro faise en Navantia, onde se chegaron a anunciar que ata 2.000 persoas poderían traballar nese encargo da petroleira mexicana. O pasado maio levouse a cabo o corte inicial e simbólico da chapa do buque, no que na actualidade traballan arredor de 300 operarios: un cento en Navantia e máis de 200 nas auxiliares, nesas nas que nos últimos anos se despediron unhas 4.000 persoas. Pero as condicións nas que traballan os operarios das subcontratas -Maessa e Ainair- son pésimas. Cobran moito menos que antes da crise e xa foron á folga para denunciar os salarios precarios, os horarios abusivos e mesmo o incumprimento do convenio provincial. Deixaron de cobrar incentivos e incluso son contratados por horas. Así o denuncian os sindicatos e os traballadores, que esta semana acordarán en asemblea un novo calendario de mobilizacións para os vindeiros días. As auxiliares incumpren os acordos con Navantia de 2001, reducen os salarios, non pagan complementos e contratan por horas Os operarios advirten de que se están a incumprir os acordos entre auxiliares e Navantia asinados xa en 2001 e que está a provocar que se perdan complementos de ata 300 euros para os traballadores. Mentres algunha das auxiliares opta directamente por non pagar eses acordos, outras deciden suprimilos para o cadro de persoal eventual. "Estanse aproveitando da necesidade de xente que levaba máis de dous anos en paro para precarizar máis aínda as súas condicións laborais", explica Marcelino Amado, delegado da CIG, que aclara tamén que chega a haber xornadas de doce horas continuadas. "Trabállase a hora corrida e mesmo as fins de semana", explica. "Estamos volvendo quince anos atrás", engade quen aclara que esta "desregulacións" afecta unha obra nova "na que é doado planificar e acordar condicións" que non se están a cumprir. "Aprovéitanse da necesidade da xente parada de longa duración; estamos volvendo quince anos atrás" "As auxiliares usan a presión xunto a empresa para baixar prezos e axudar a que isto saia todo máis barato. Á parte da lexislación pola reforma laboral que xa nos precarizou, agora atacan tamén o tema salarial, que é fundamental, tratando de volver a acordos de antes de 2001 e volvendo quince anos atrás", aclara Amado, que denuncia tamén como se aproveitan as vacacións -como as de Nadal- para botar a xente que é contratada pouco despois. Ademais, báixase o soldo de maneira xeral e diminúese a categoría dos operarios ao contratalos, co conseguinte descenso do salario tamén. "Aprovéitanse do pouco traballo que hai para empeorar as condicións de todos; se o fan agora algunhas auxiliares, acabarano facendo todas no futuro", remata. |
PRAZA_11213 | No encontro, celebrado en Pontevedra, presentáronse traballos sobre a situación destes topónimos en Compostela, A Coruña, Pontevedra ou Baiona. "Hai que evitar facer dos nomes das rúas un panteón de veciños ilustres, non é preciso agredir este patrimonio para homenaxealos", destaca Gonzalo Navaza | O Museo de Pontevedra acolle este sábado a IV Xornada de Onomástica Galega, organizada pola Real Academia Galega en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o propio museo. Nesta ocasión o encontro, no que participan 14 especialistas, céntrase nos nomes de rúas e prazas, un patrimonio de toponimia tradicional que a xornada chama a protexer e recuperar."Hai que evitar facer dos nomes das rúas un panteón de veciños ilustres, non é preciso agredir este patrimonio para homenaxealos", di Gonzalo Navaza"Nesta xornada queremos reflexionar sobre os nomes das rúas galegas: como se conformaron na Idade Media, poñendo o foco en Santiago e Baiona, e como son os procedementos actuais para nomear novas vías urbanas en Pontevedra, Vigo, A Coruña e Lalín", explica Ana Boullón, académica correspondente da RAG e unha das dúas coordinadoras do encontro.Alén da análise académica, a xornada acollerá a presentación, por parte do académico correspondente Gonzalo Navaza, dunha proposta para as novas denominacións de rúas, avenidas ou prazas que preserve a toponimia tradicional fronte á conmemorativa. "Hai que evitar facer dos nomes das rúas un panteón de veciños ilustres, non é preciso agredir este patrimonio para homenaxealos", salienta o filólogo. "Ignóranse moitos nomes que foron creados colectivamente e que tiñan un papel utilitario para a sociedade, porque describían o territorio, e óptase polos nomes conmemorativos, moito máis simbólicos, e que sitúan a comunidade nun contexto social, político ou cultural", advirte Ana Boullón.O caso de CompostelaA conformación na Idade Media dos nomes das rúas de Baiona e Santiago de Compostela centraron a primeira sesión da xornada, a través de senllos traballos de Gonzalo Navaza e de Gonzalo Hermo, filólogo e doutor cunha tese sobre toponimia medieval, ademais de poeta. Gonzalo Hermo destacou o "alto grao de conservación da hodonimia tradicional na cidade de Santiago se a comparamos coa doutras cidades e vilas medievais galegas"A achega de Gonzalo Hermo sobre Compostela baséase no Tombo de tenzas primeiro, un rexistro de propiedades do cabido de Santiago, con información de 1352 a 1412, cuxo principal valor lingüístico ten que ver precisamente coas denominacións de lugar. A consulta deste documento permite constatar que algunhas das rúas máis emblemáticas de Santiago seguen a ter o mesmo nome ca na segunda metade do século XIV. De feito, dun total de 31 hodónimos analizados, 20 son nomes de rúas que se conservan na actualidade, o que testemuña "un alto grao de conservación da hodonimia tradicional na cidade de Santiago se a comparamos coa doutras cidades e vilas medievais galegas", conclúe.Porén, outras rúas cambiaron de nome a finais da Idade Media como consecuencia do espertar e da decadencia de distintos gremios. Así, a praza da Inmaculada recibía o nome de As Cambias, mentres que a veciña rúa de Acibechería chamábase naquela altura a rúa da Moeda. Máis tardía foi a transformación da praza do Campo, que acollía o mercado da cidade, na actual praza de Cervantes. "O cambio produciuse a finais do século XIX polo levantamento na fonte da praza dunha estatua que representa o xenio do Século de Ouro español, nun momento en que o mercado fora trasladado ao seu emprazamento actual", explicaAntonio Míguez presentou un relatorio sobre a apropiación simbólica do espazo público durante o franquismo a través de distintas estratexias, entre elas os cambios de nomes de rúas e prazas.O historiador Antonio Míguez Macho tamén analizará o caso de Santiago, a través dun relatorio sobre a apropiación simbólica do espazo público durante o franquismo a través de distintas estratexias, entre elas os cambios de nomes de rúas e prazas. "O cambio da toponimia urbana está intimamente relacionado cun fenómeno máis amplo de destrución dun grupo social que se considera inimigo. Neste contexto, o proceso de resignificación do espazo público adquire unha dimensión dirixida tanto a construír unha 'nova España' como a destruír a 'vella' coa práctica do memoricidio", conclúe o historiador.Así, a residencia de estudantes Rodríguez Cadarso converteuse no "Colegio Mayor Generalísimo Franco" e a praza construída diante das Casas de Ramírez foi bautizada en pleno franquismo como "Plaza de José Antonio". Xa na década de 1980, aproveitando unha reforma do espazo, adquiría oficialmente a denominación popular que recibiu durante os últimos anos da ditadura, "Praza Roxa", por ser lugar de referencia das protestas estudantís. O caso do Ofimático na CoruñaO 'Parque Ofimático' da Coruña supuxo o esquecemento dos lugares de 'Xuxán', 'Galán', 'A Pereiroa' e parte das 'Cernadas'Iván Méndez, técnico de toponimia da RAG, participará na xornada cun relatorio sobre o caso da Coruña, onde o proceso de substitución da microtoponimia tradicional vive o seu apoxeo dende a segunda metade do século pasado. Un caso paradigmático é o do chamado Parque Ofimático, que recorda o proxecto de construción dun polígono de empresas tecnolóxicas anunciado en 1990. Malia desbotarse anos despois e acabar acollendo vivendas particulares, este "neotopónimo" supuxo o esquecemento dos lugares de Xuxán, Galán e mesmo A Pereiroa e parte das Cernadas, mais tamén de topónimos como Agrelo, A Casanova, A Viña Pequena, A Casavella, As Peladas, O Cubelo…, enumera o filólogo. "Ningún deles, ademais, foi elixido para nomear ningunha das rúas que se inauguraron nos últimos anos", lamenta.A visibilización das mulleres en Pontevedra"A toponimia perde parte do seu sentido se a desvinculamos do lugar de orixe. Recuperarmos e conservarmos a microtoponimia tradicional é un exercicio de memoria, cultura e xustiza", reflexiona Conchi CochónEn Pontevedra o nomenclátor urbano está composto por 456 hodónimos rexistrados, dos cales 134 fixan ou recuperan os topónimos tradicionais e 238 son conmemorativos onomásticos, expón Concepción Cochón, do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Pontevedra. Entre os anos 2005 e 2008, en Pontevedra funcionou un grupo de traballo municipal interdepartamental para recuperar toponimia tradicional de fontes escritas, acordar criterios para corrixir a toponimia municipal, galeguizar a que fose necesaria e cambiar as placas das vías. Xa en 2015, o Pleno acordou avanzar na visibilización das mulleres no nomenclátor de vías urbanas, mais primando o criterio do uso da toponimia tradicional, que se vén aplicando desde o ano 2002.Nestes momentos só 26 mulleres lles dan nome ás rúas, fronte a 212 homes. A diferenza, recoñece Conchi Cochón, é abismal, pero cómpre ter en conta tamén que "o noso espazo público ten nomes propios de seu en perigo de extinción da nosa memoria colectiva". "Existen moitas maneiras de visibilizar as mulleres e moitos espazos para homenaxealas; ao contrario, a toponimia perde parte do seu sentido se a desvinculamos do lugar de orixe. Recuperarmos e conservarmos a microtoponimia tradicional é un exercicio de memoria, cultura e xustiza", reflexiona. |
NOS_30202 | A medio camiño entre Portugal e a Galiza, Marta Pazos consolídase como directora de referencia no panorama teatral contemporáneo. | Se A Tempestade de Shakespeare que dirixe con Voadora, a súa compañía, é realmente un barco contra un mar de ondas bravas, abofé que está a chegar a bo porto. Nos seus sete anos de historia a compañía consolidouse cunha linguaxe propia no panorama teatral contemporáneo galego e portugués. A súa directora, Marta Pazos traballa nos ensaios dun particular Don Juan en Tondela mentres A Tempestade continúa xira por Galiza. -Por vez primeira Voadora achégase a un clásico. Mantense Shakespeare na linguaxe contemporánea? Mantense, ao meu ver, e aí está o achádego da montaxe. Conviven perfectisimamente. Cando sento na butaca a ver o espectáculo e tento ser só espectadora dáme moito pracer porque gozo dunha proposta contemporánea mentres escoito un texto clásico. Esa convivencia é moi interesante. -Singular é que suban ao escenario nove actores e actrices nun tempo no que as producións se reducen. É un risco atreverse cun proxecto desta envergadura? Tirarse á piscina totalmente! É un risco absoluto mais un risco que queriamos afrontar. O que prima na nosa traxectoria é o proxecto artístico e estabamos convencidos de que queriamos facer A Tempestade e con este equipo. Dános moito pracer conseguilo. Non tiñamos présa e, por iso, tardamos tres anos en presentar publicamente o proxecto, o que nos permitiu traballar con tranquilidade e tomar as mellores opcións. A clave foi poder ir devagar e ter como obxectivo facer o espectáculo que ideabamos. "O espectáculo é un ente vivo e precisa cocción. Se vas con el como se fose un caracol, sen parar, a implantación é diferente". -A traxectoria do público, avalada por premios e o aplauso da crítica, é o que anima a decidirse por este gran proxecto? Temos unha historia curta pero moi sólida. De repente somos unha compañía nova e consolidada, co apoio do público, da crítica e da profesión. Iso significa ter as costas quentes para poder tirarte á piscina para un proxecto como este. Quero dicir, se te estrelas, falo con estilo!! Temos un actor que vive en Berlín, outro en Sevilla e outro en Barcelona e parte do equipo é de Portugal. A Tempestade é un barco moi grande contra un mar de ondas bravas mais está merecendo a pena. O espectáculo está funcionando e está gustando moito e non nos podemos queixar tampouco a nivel de distribución. Xa antes de estrear tiñamos case todo vendido e só neste mes temos vinteunha funcións, o que é unha tolería. Cando estivemos en festivais fóra preguntábannos e a verdade é que ningunha compañía tiña un ritmo así. Nós precisabamos darlle tempo. A obra dura dúas horas e tiñamos que darlle oportunidade de facer a tempada, como en Compostela onde estamos tres semanas e funciona o boca a boca. Queriamos darlle oportunidade ao público para poder ir velo. -Esa é a única maneira de poder levar adiante un espectáculo como este? Con moitas funcións e moito tempo en cada teatro? Non sei se é a única mais nós pensamos que é a mellor. Reivindicamos tempo que significa cousas mellor feitas. Sabemos que o tempo é un luxo mais para nós é a fórmula tamén para aposentar a obra nos actores. O espectáculo é un ente vivo e precisa cocción. Se vas con el como se fose un caracol, sen parar, a implantación é diferente. Así tes oportunidade de facer un traballo máis fino, que non se adoita realizar. Normalmente só a compañía pública ou propostas como Chévere que están en residencia poden optar por unha vía así mais nós apostamos por probar. -Despois deste sete anos, varias montaxes e este Shakespeare máis recente, pode identificar a maneira de facer de Voadora? Cal serían os seus sinais de identidade? Baséase na musicalidade e no mundo onírico. Funcionamos moito do xeito que traballa a cabeza cos soños e o noso obxectivo é ilusionar, crear ilusión á hora de traballar e tamén no público. Ten que ver coa maxia. Que as persoas senten na butaca e non saiba que vai pasar. Os nosos es pectáculos son como matrioskas. Nestes sete anos, sen buscalo, de xeito natural, conformamos un estilo que agora comeza a solidificarse e que o público recoñece. Sabe que vai vivir unha sorpresa constante e iso é un eloxio grande para nós, non só aquí senón tamén fóra. Cando viaxamos o boca a boca di "tes que ir ver estes galegos que fan cousas diferentes". Nun terreo no que todo está inventado que te definan como unha proposta fresca e divertida é marabilloso. -Á marxe do grande momento da compañía, vostede conseguiu un grande recoñecemento como directora polo que gañou un María Casares e está a ser convidada por outras compañías. É froito do traballo. Voadora é como unha familia na que a xente importa. A nosa filosofía basease en asumir riscos e na propia capacidade de traballo. Estamos todo o tempo traballando desde a autocrítica. Cando remata o espectáculo procuro pensar no que me gustaría facer mellor na próxima vez. A miña filosofía é a mesma de Voadora. Non teño présa por chegar a ningún sitio. Quero aprender e vexo que o meu traballo vai evolucionando. Teño a sorte de que estou dirixindo moito, tamén fora, non paro de dirixir e iso faime que teña a máquina engraxada. Esta oportunidade para min é ouro. Agora estou en Portugal dirixindo un Don Juan de Molière. Estar dirixindo todo o tempo é unha sorte e non penso demasiado na repercusión. Valoro moito os premios, pero non penso demasiado niso. Son adicta ao meu traballo e adoro ver unha sala chea. -Que nos pode contar dese Don Juan no que está a traballar? É unha coprodución de Voadora coa compañía Trigo Limpo, coa que colaboramos desde hai anos mesmo facemos residencias artísticas con eles. Fixéronnos un convite para a coprodución con carta blanca e aceptamos porque nos apetecía traballar con actores maiores, doutra xeración. O espectáculo xira arredor do amor na terceira idade e traballamos con 24 actores e actrices de 65 a 80 anos. Este ano fixemos tres producións, todas con colaboracións e coproducións con Portugal. O Rinoceronte de Ionesco, A Tempestade, a grande aposta, e agora o Don Juan. -A relación con Portugal sempre foi unha marca de Voadora. O 33 %, Hugo Torres, é portugués e viña dunha carreira dilatada e de moito prestixio en Portugal. Desde hai moitos anos a vontade de interrelación é grande tamén desde alá. Somos unha compañía nómada, sen espazo fixo. O que nos interesa en cada proxecto é mudar de estado e aprender doutros artistas. Portugal é un lugar que ten portas abertas e no que nos acontecen moitas cousas. A xente quere traballar con nós desde hai tempo, o que agora tamén comeza a pasar na Galiza. Todos os nosos espectáculos son agardados en Portugal. En certa maneira, comezamos en Tondela. O pasado ano pasamos sete dos doce meses en Portugal. -Con A Tempestade en Compostela experimentaron a proposta de teatro para maiores e obradoiro simultaneo para crianzas. Como está a funcionar? A idea partiu de nós mesmos. Os membros da compañía temos cativos e sempre temos a mesma problemática á hora de ir ao teatro. Tampouco queriamos que fose algo tipo deixalos nunha gardería. O noso proxecto trata de inserir o teatro na sociedade e que o público goce a moitos niveis. Ocorreusenos esta idea e o resultado foi magnífico, os nenos e nenas saen moi contentos do obradoiro preparado para que o pasen ben e dá gusto ver na fila do teatro aos pais e as nais con tranquilidade deixando alí ás crianzas. |
NOS_12248 | Traballadoras e traballadores das subcontratas da central de Endesa nas Pontes farán folga a cuarta feira 21 de agosto para esixir a adopción de medidas dirixidas a evitar que a diminución da produción afecte os postos de traballo. | As traballadoras e traballadores das auxiliares da central térmica das Pontes convocan unha folga parcial na cuarta feira 21 de agosto para denunciar a parálise da produción no complexo de Endesa na súa planta neste concello e a inexistencia de alternativas definidas por parte da patronal para a continuidade da actividade produtiva e dos postos de traballo. Esta folga durará unha hora, durante a que se realizará unha concentración do persoal diante da rotonda de acceso á central das Pontes, entre ás 12:00 e as 13:00 horas. A asemblea de persoal das auxiliares de Endesa convocou o paro laboral para denunciar e chamar a atención sobre o previsíbel recorte de emprego A asemblea de persoal das auxiliares de Endesa nas Pontes decorreu a semana pasada, decidindo a convocatoria do paro laboral para denunciar e chamar a atención sobre o previsíbel recorte de emprego que ameaza ás empresas subcontratas de Endesa derivado da suspensión do transporte de carbón e de reducírense os servizos contratados ás auxiliares coa escusa de rebaixar custes e ante a posibilidade mesmo de que o persoal propio da central asuma tarefas que até o de agora realizaban nas subcontratas. As organizacións sindicais mantiveron así mesmo un encontro co conselleiro de Industria e a conselleira de Infraestruturas o pasado 9 de agosto, onde, segundo informaron as traballadoras e traballadores nesa mesma asemblea, tratouse a situación derivada do paro produtivo que se prolonga desde hai xa catro meses e as consecuencias sobre o emprego e a economía dunha localidade altamente dependente da actividade desta central. Alberte Amado, representante da CIG-Industria en Ferrol, afirmou que a Xunta de Galiza comprometeuse nesa reunión cos sindicatos a tramitar unha xuntanza coa dirección de Endesa en Madrid para reclamar a paralización de calquera medida que poida prexudicar os postos de traballo. Tamén se comprometeu o goberno galego perante os sindicatos a reunirse co Ministerio de Transición Ecolóxica para reclamar unha modificación a respecto do céntimo verde para que haxa un trato igualitario co resto de tecnoloxías de combustión. E por último, a Xunta asegurou que solicitará unha xuntanza ao comisario europeo de Enerxía, Miguel Arias Cañete, para instalo a actuar sobre o mercado de emisións de CO2. "Non vale que logo de 40 anos obtendo beneficios millonarios agora Endesa pretenda tirar máis de rédito ", denuncia Amado "Necesítase tempo para ver como se vai afrontar esta transición e como se pode minimizar o impacto no emprego, xa que todo indica que a central non retomará a produción de carbón. Pero isto ten que ir acompañado dun compromiso por parte de Endesa, non vale que logo de 40 anos obtendo beneficios millonarios agora pretenda tirar un pouco máis de rédito e logo pechar a central sen formular ningunha alternativa", asegurou Amado. Por eses motivos, o sindicalista indicou a necesidade existente de que nesas reunións da Xunta "non só participe a administración galega senón tamén unha representación das organizacións sindicais". Para Amado tamén é prioritario que a Xunta inste Endesa a dar unha marxe de tempo abondo "sen aplicar medidas traumáticas para os postos de traballo mentres concreta as alternativas á produción de enerxía mediante carbón". |
NOS_13645 | Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, que agrupa a 16 certames, critica que a Xunta non os incluíse no Plan Xacobeo 2021. | A Coordinadora Galega de Festivais de Cinema de Galiza, Proxecta, que agrupa a 16 certames cinematográficos de todo o país, recibiu con indignación o novo Plan de Reactivación da Cultura preparado pola Xunta con motivo da crise xerada pola COVID-19. Despois de varias semanas de conversas coa Consellería de Cultura, o director de Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, comprometérase con Proxecta a un plan global de apoio específico de axuda aos festivais, dotado con 100.000 euros, que se achegarían a través do programa Xacobeo 2021. Esa era unha das medidas para axudar a reactivar un sector que, como toda a sociedade, non é alleo a este momento tan difícil dun incerto futuro. No primeiro semestre do ano tiveron que ser aprazados até cinco festivais. Certames como a MICE (Mostra Internacional de Cinema Etnográfico) de Santiago de Compostela, Carballo Interplay, Play- Doc (Tui), Festival de Cans (O Porriño) e (S8) Festival de Cinema Periférico (A Coruña), víronse obrigados a trasladar as datas de celebración a partir de setembro, e atravesan unha difícil situación na que está pendente o traballo de moitas das persoas que prevían contratar. "Só dúas liñas" con referencia aos festivais de cinema O Plan de Reactivación da Cultura Galega difundido pola Xunta, é un documento de 71 páxinas "de supostas propostas, no que só hai dúas liñas escritas con referencia aos festivais de cinema, o cal é un indicador claro da escasa consideración que desde a Consellería de Cultura da Xunta se presta aos festivais de cine", critica Proxecta. "Os festivais de cinema viven na incertidume mentres agardan tamén pola resolución da liña de axudas a festivais de cine e audiovisual correspondente a 2020, cuxo proceso administrativo tivo que ser paralizado por mor da crise da COVID-19", explica a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema de Galiza, que engade que se trata "dunha dotación global de 190.000 euros que deberá repartirse entre os máis de 20 certames que se presentan a esta concorrencia competitiva, a través dun baremo de puntos, e na que os festivais de cinema teñen a dotación global máis baixa de todas as modalidades de festivais". A Coordinadora trasladou unha carta a Xunta, demandando activar "sen demora", a resolución destas axudas anuais e a rectificación do Plan de Reactivación da Cultura, para "incluír os compromisos de achega do Xacobeo 21 aos que se comprometeu o director de AGADIC", Jacobo Sutil. |
NOS_42027 | Non todo é música nos festivais do verán. Por segundo ano consecutivo celébrase no Courel o Festival dos Eidos, un festival literario que se celebra esta fin de semana organizado pola Fundación Uxío Novoneyra. | A Fundación Uxío Novoneyra organiza o Festival dos Eidos, festival literario que se levará a cabo os días 13, 14 e 15 de agosto, en diferentes emprazamentos da aldea de Parada do Courel, desde a casa do poeta, sede da fundación no Souto da Rubial, celebrando a súa recente declaración como conxunto de "Árbores Senlleiras" de Galicia, e dentro da rede europea "Litfest: Literature for Life" de festivais literarios en zonas isoladas, dependente da iniciativa comunitaria Erasmus+. Durante os tres días da programación do festival haberá recitais poéticos (con Oriana Méndez, Antón Blanco, Vicente Reboleiro e Branca Novoneyra), música (con Cinta Adhesiva, Blues do Pais, Voltem, Terra Morena e Rulassie Selektah), teatro en homenaxe a Manuel María (con Lucecús), a exposición "Os últimos labregos" de fotografías de Federico García-Cabezón, demostracións de xogos populares e artesanía galega, e obradoiros de leitura e de micromecenado (da plataforma Ith Crowdfunding). |
NOS_3131 | Asina un comunicado conxunto coa CGT, o STEG, Sindicato Ferroviario e Sanitarios Galegos Públicos. O pasado 7 de maio, a CUT vía a greve xeral como unha "necesidade obvia", mais só se se enfrentaba desde a "unidade sindical". | A posición destes sindicatos, que se definen a si propios como "alternativos", é que a greve é necesaria, mais non tal e como a está formulando a CIG. "Se a vontade da convocatoria está en paralizar o país e os sectores produtivos, que é o obxectivo dunha convocatoria de folga, a mobilización da CIG non reúne esas condicións pois pretende que non haxa convocatoria conxunta de todos os sindicatos, nin manifestación conxunta, nin en definitiva traballo previo conxunto", afirman. Argumentan, pois, que a CIG formulou a greve -convocada para o próximo 19 de xuño- como un prato xa precociñado sen dar opción a participar na súa preparación ás demais centrais. "As condicións obxectivas para convocar unha folga son evidentes, hoxe igual que hai varios anos, pero as condicións subxectivas non o son", alegan. "Unha mobilización mal convocada, igual que unha folga mal convocada, pode converterse en nefasta para os intereses do pobo e da clase traballadora", conclúen. Estas centrais non irán secundar por tanto a convocatoria da CIG, "do mesmo xeito que tampouco imos traballar na súa contra", acotan. |
NOS_43676 | Á marxe ficarían as confluencias en Galiza, Catalunya e Valencia, que se xestionan de forma autónoma. | Izquierda Unida quere que os seus candidatos ocupen 1 de cada 6 postos de saída nas candidaturas que se poidan acordar con Podemos de cara ás eleccións do vindeiro 26 de xuño. Unha petición que deixa á marxe os casos de Galiza, Catalunya e Valencia por se negociar alí as confluencias de forma autónoma. Cos resultados obtidos por Podemos o 20-D [sen engadir as confluencias antes citadas], isto suporía 7 escanos para a xente de IU. Alberto Garzón, deputado de IU-UP, e Adolfo Barrena, secretario de Organización de Izquierda Unida, anunciaron este sábado que non hai aínda acordo con Podemos para partillar as listas e as negociacións poderían seguir durante a vindeira semana, tendo claro que a data tope legal para rexistrar coligazóns para participar no 26X é o 13 de maio. Afirmaron que o seu obxectivo é contar con 1/6 dos postos de saída nesas candidaturas. Unha petición que consideran xenerosa pois afirman que IU achega 1 / 4 dos votos ao acordo. O 20-D Podemos obtivo 3 millóns de votos polo millón que logrou Izquierda Unida. Garzón dixo que limitan a petición a un sexto dos postos para procurar facilitar un acordo. Grupo confederal O secretario de Organización de IU, pola súa parte, afirmou que había unha serie de cuestións que estaban fóra de toda discusión, referíndose á coligazón electoral como fórmula para o pacto con Podemos ou ben que sexa unha alianza a nivel de Estado e aberta a outras formacións. Aposta, ademais, nun recoñecemento das diferentes forzas políticas, respetando as "identidades diferentes". Confirmou, así mesmo, que o grupo parlamentar que resulte do 26X sería un grupo "confederal" con recoñecemento de cada partido e respetando "visibilidade" e "liderado" de cada un. |
NOS_56660 | A 'Cidade Deportiva Afouteza' será inaugurada esta sexta feira | O primeiro equipo do Real Club Celta de Vigo estreou durante a xornada de hoxe as instalacións da nova cidade deportiva que a entidade está a construír no Concello de Mos, dicindo así adeus para sempre ás instalacións da Madroa, onde se adestrou durante os últimos 30 anos. Ademais, o conxunto celeste comunicou que a nova infraestrutura pasará a ser coñecida de agora en diante como 'Cidade Deportiva Afouteza', denominación escollida logo dunha enquisa desenvolvida entre os seareiros e seareiras e na que tomaron parte "máis de 15.000 persoas", segundo fontes oficiais, que tamén afirmaron que "cando as condicións sanitarias o permitan", desenvolveranse unha serie de visitas guiadas polo interior das instalacións. A pandemia tamén condiciona o acto inaugural desta Cidade Deportiva Afouteza, que será mañá sábado ás 12 horas, e no que estarán presentes un número moi reducido de persoas Entre elas participarán, en representación da afección, o socio máis antigo do club e o presidente da Federación de Peñas Celtistas, José Méndez. Inmediatamente despois terá lugar un partido entre os xuvenís da categoría de División de Honra do propio Celta e do Real Club Deportivo da Coruña. Adeus a un pedazo de historia celeste Esta mudanza a Mos supón dicir adeus a un pedazo de historia celeste, que comezou aló polo verán do afastado ano 1990, onde nun Celta que penaba pola Segunda División destacaban xogadores como Maté, Atilano, Nacho, un novísimo Xurxo Otero, Fabiano ou Vicente. Por alí pasaron nestas tres décadas estrelas do calibre de Karpin, Mostovoi, Mazinho, Cáceres ou Iago Aspas, quen desde o seu Instagram lembrou "os grandes momentos vividos e gozados" na Madroa. |
NOS_10480 | A representación procesual da familia pedira ao xulgado este trámite, amparándose nas previsións recollidas na propia Lei do Xurado. | A titular do xulgado de instrución 2 de Tui ditou un auto no que rexeita a petición da familia de Déborah Fernández-Cervera, a moza viguesa cuxo cadáver apareceu nunha cuneta en maio de 2002, de transformar as dilixencias actuais nun procedemento de Tribunal de Xurado, segundo confirmaron fontes xurídicas. A representación procesual da familia pedira ao xulgado este trámite, amparándose nas previsións recollidas na propia Lei do Xurado, pero a maxistrada rexeitou abrir ese procedemento argumentando que "hai que esperar a que se complete o informe pericial acordado". Declaran dúas novas testemuñas no xuízo de Déborah Fernández A xuíz refírese ao novo informe que solicitou a expertos da Garda Civil sobre o disco duro do computador de Déborah Fernández, e tras a análise pericial elaborada por Lazarus Technology. Os avogados da familia de Déborah xa mostraron a súa "perplexidade" cando a instrutora acordou pedir ese contrainforme, xa que o disco duro pasara por mans de peritos da Garda Civil e non só non puideran extraer información do dispositivo, senón que, na propia sede xudicial, causáronse danos no aparello ao tratar de clonalo. O ex mozo de Déborah Fernández defende a súa inocencia, mais incorre en "novas contradicións" Precisamente, os letrados pediron explicacións á maxistrada por esa decisión de solicitar un novo informe, e preguntáronlle "se pon en dúbida o informe contundente de Lazarus Technology", que concluíu que o disco foi manipulado nalgún momento despois de ser recollido pola Policía Nacional. Petición dunha peza separada A confirmación, por parte dos peritos, desa manipulación, levou aos avogados da familia de Déborah a pedir que se abrise unha peza separada e se investigase que puido ocorrer mentres o dispositivo estivo baixo custodia da Policía Nacional, a Garda Civil e o propio xulgado. A peritaxe confirma a manipulación do disco duro de Déborah Fernández Así, os letrados solicitaron á xuíza de instrución que pedise informe tanto aos corpos de seguridade como no seu propio xulgado sobre a cadea de custodia do disco duro, pero a maxistrada rexeitou estas demandas, así como a posibilidade de apertura desa peza separada. A investigación xudicial pola desaparición e morte de Déborah Fernández Cervera arquivouse en 2010 sen que se detivera nin imputara a ninguén. En novembro de 2019 reabriuse o caso por parte do xulgado e, en febreiro de 2022, a xustiza imputou formalmente o ex mozo da vítima. Un informe de lingüística forense sinala que o ex mozo de Déborah Fernández "faltou á verdade" no xuízo A finais de abril pasado, cumpríronse 20 anos da desaparición da moza e, alcanzado o prazo de prescrición, xa non se poderá imputar a ninguén máis en relación con este caso. |
NOS_56328 | Na semana en que o partido galeguista vai tomar unha decisión sobre a forma en que irá concorrer, se o fai, ás xerais, o seu principal referente institucional practicamente anuncia o seu adeus á organización. | As tensións en Compromiso entre o sector partidario de se unir ao acordo tripartito Anova-Podemos-Esquerda Unida e aquel favorábel a unha candidatura de base exclusivamente galega son xa insoportábeis e están a piques de estourar antes de se realizar a Convención axendada para o próximo sábado día 24 de Outubro. Destarte, o principal referente institucional o partido -o alcalde de Lalín, Rafa Cuíña- expresou con toda clareza o seu distanciamento da organización nun chío en que, en ton desenfadado, afirma que comeza a "visualizar" que lle "queda pouco" en Compromiso. Empezo a visualizar que en vista do espectáculo actual, quédame pouco nese proxecto que con tanta ilusión axudei a parir que é @euCompromiso— Rafa Cuiña (@Rafiklalin) 19 outubro 2015 Moito activo nas redes sociais, esta pasada fin de semana Cuíña dirixiu os seus míseis dialécticos a Podemos e a Esquerda Unida, os que acusou de "vetar" a presenza de Compromiso nunha eventual candidatura galega. O alcalde de Lalín tomaba así tamén distancia do sector do seu propio partido que, a pesar diso, mantén aberta a opción a se coligar coa esquerda estatal para as xerais. Este domingo, Compromiso emitiu un escueto comunicado -apenas 3 liñas- para deixar claro que aínda non ten tomado unha decisión sobre a súa concorrencia ás xerais. Todas as opcións -mesmo a de non se apresentar a estes comicios- están sobre a mesa. #Compromiso decide a concorrencia ás Eleccións Xerais o 24 de outubro http://t.co/2TsxLLYnHo #Convencion20D #20D pic.twitter.com/Y5hJET8raf— Compromiso x Galicia (@euCompromiso) 19 outubro 2015 Os dirixentes de Compromiso que acudiron a pasada sexta feira ao foro político convocado pola Marea Galega manifestaron nel -segundo comunicou o seu secretario xeral, Xoán Carlos Bascuas, a Sermos- o seu malestar polo facto de a reunión non ser aberta ao se ter vetado a presenza de até 6 organizacións políticas -FOGA, Agora Galiza, PCPG, PG, Coalición Galega, Terra Galega-, exclusión que provocou a non participación do Bloque Nacionalista Galego e de Iniciativa pola Unión. |
PRAZA_17816 | GRÁFICOS O alugueiro medio en Galicia xa rolda os 400 euros tras tres anos de subas, segundo o cálculos elaborados polo IGVS a partir das fianzas dos pisos. Os prezos en Ferrol e Lugo seguen por baixo da media galega mentres nalgúns barrios vigueses e coruñeses xa superan a media dos 600 euros ao mes HEMEROTECA | Máis de 8.000 persoas agardan por unha vivenda en alugueiro protexida pola Xunta | HEMEROTECA | Máis de 8.000 persoas agardan por unha vivenda en alugueiro protexida pola Xunta Un dos principais problemas para obter unha radiografía da evolución do prezo da vivenda de alugueiro en Galicia é a escaseza de fontes de información sobre a súa evolución alén dos informes elaborados por empresas privadas do sector, que adoitan ofrecer índices realizados a partir das súas propias ofertas. O precepto da lei de vivenda do ano 2012 que obriga os propietarios dos pisos a depositaren as fianzas o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) permite, na última media década, bosquexar o panorama do sector, na medida en que as fianzas adoitan ser equivalentes a unha mensualidade do arrendamento. O alugueiro medio en Galicia xa rolda os 400 euros tras tres anos de subas, segundo o cálculos elaborados polo IGVS a partir das fianzas dos pisos Malia á existencia de alugueiros alleos ao circuíto legal e de distorsións vinculadas a fenómenos como os pisos turísticos non inscritos no rexistro oficial, as estatísticas elaboradas no Observatorio da Vivenda do IGVS a partir destas fianzas si permiten tirar algunhas conclusións. Entre elas, que o prezo medio do alugueiro en Galicia leva tres anos á alza cun incremento acumulado na contorna do 8%, pasando de pouco máis de 360 euros mensuais en 2015 ata roldar os 400 neste 2018 e cuns incrementos interanuais que no último exercicio completo, o de 2017, xa superan o 3% O Observatorio da Vivenda reflicte notables diferenzas entre os pequenos concellos e as cidades Existen, así e todo, notabilísimas diferenzas no custo de alugar unha casa entre os pequenos concellos, as vilas medias e as cidades. Sempre a partir do importe das fianzas o IGVS estima que na primeira metade de 2018 era posible arrendar unha casa nun concello de menos de 5.000 habitantes por menos de 290 euros mensuais, mentres que nos municipios de 5.000 a 20.000 habitantes xa se superan os 300. Na quincena de vilas de 20.000 a 50.000 habitantes os importes xa se aproximan á media galega, con arredor de 350 euros ao mes, e nas sete cidades os prezos xa cruzaron o limiar medio dos 400 euros. Pero tamén entre as devanditas sete cidades existe unha fenda en canto aos prezos. O alugueiro medio en Ferrol e Lugo non chega aos 340 euros mensuais, aínda por baixo do promedio no conxunto do país, e Ourense achégase a ela. As outras catro cidades xa a superan: Santiago faino por pouco, cuns 418 euros, e Pontevedra máis amplamente, con 437. Os importes máis elevados son os dos dous únicos concellos que se achegan aos 300.000 habitantes: en Vigo e na Coruña arrendar unha vivenda xa custa case 500 euros mensuais, de media. A tendencia nos alugueiros urbanos no último ano -o prezo medio incrementouse dende 2017 en case 30 euros en Vigo e nuns 20 na Coruña, atendendo aos cálculos realizados a partir das fianzas- convida a pensar que as subas van continuar, especialmente nos centros das cidades. Non en van, o IGVS rexistra que nos barrios vigueses e coruñeses máis céntricos o alugueiro dun piso xa custa máis de 600 euros ao mes. Mentres, Lugo ou Ferrol seguen moi lonxe destes importes medios. |
PRAZA_20004 | Unha concentración ante o Parlamento galego amosou a súa solidariedade coa folga de fame que dende hai tres semanas manteñen milleiros de presos e presas palestinas recluídas nos cárceres israelís. | O pasado 17 de abril 1.500 presos e presas palestinas recluídas nos cárceres israelís iniciaron unha folga de fame total, sen inxerir vitaminas, nin glucosa, tan só auga e sal. Unha situación que se converte en perigosa a partir da terceira semana, que vén de comezar. De feito hai algúns presos e presas que xa sofren un grave deterioro da súa saúde, incluíndo a Maslama Thabet, Muhammad Abed-Rabu e Amjad Al-Namoura, segundo explican as organizacións internacionais de solidariedade coa protesta. A acción reclama condicións dignas nos cárceres, nomeadamente atención médica axeitada, a posibilidade de recibir visitas, de acceder a libros e xornais, e de poderse comunicar coas súas familias. Na acción ante o Parlamento, ademais, os e as concentradas beberon auga con sal, sumándose á campaña internacional #SaltWaterChallenge Na tarde deste martes unha concentración ante o Parlamento galego, convocada por BDS-Galiza, amosou a súa solidariedade cos e coas folguistas. A concentración, na que participaron varioos deputados e deputadas, rematou co rexistro, na Oficina de Asuntos Exteriores da Xunta, dun texto que insta o Goberno galego a intervir a favor das presas. Na acción ante o Parlamento, ademais, os e as concentradas beberon auga con sal, sumándose á campaña internacional #SaltWaterChallenge. Entre as represalias adoptadas polas autoridades penitenciarias está a confiscación do sal, necesario para reter os líquidos e utilizado tamén como antiséptico para protexeren o instestino e o bandullo baleiros. Represalias por parte de Israel Os e as prisioneiras están illadas e incomunicadas, impedindo durante varios días as autoridades israelís o acceso dos seus avogados e avogadas. Ademais, as administracións penitenciarias continúan a tomar represalias, confiscando as súas pertenzas, reducindo o seu tempo de descanso e impedíndolles ver a televisión. Así mesmo, Avigdor Lieberman, ministro de defensa israelí, propuxo publicamente tratar os e as folguistas como Margareth Thatcher tratou no seu día os militantes do IRA na folga de fame na que finalmente morreu Bobby Sands. Elvira Souto (BDS-Galiza) fai un chamamento á sociedade galega a "solidarizarse" coa súa protesta. Elvira Souto (BDS-Galiza) explica, en conversa con Praza, a difícil situación na que se atopan os presos e presas e fai un chamamento á sociedade galega a "solidarizarse" coa súa protesta. Na actualidade máis de 6.500 palestinos e palestinas están recluídas nos cárceres israelís, incluíndo 300 menores de idade, 12 representantes parlamentarios e 28 xornalistas. Ademais, segundo a Asociación de Presos Palestinos, dende 1967 máis de 200 persoas prisioneiras morreron nos cárceres israelís. A CIG, como membro da Iniciativa Sindical Europea pola Xustiza en Palestina, composta por 31 sindicatos que representan a máis de tres millóns de traballadores e traballadoras, adheriuse nos últimos días á declaración elaborada por esta plataforma en solidariedade coas prisioneiras e prisioneiros palestinos en cárceres israelís. Tamén o BNG trasladoulles o seu apoio e solidaridade aos presos e presas palestinas. "A folga é a resposta ás condicións inhumanas e indignas que sofren e ao trato inhumano e degradante, ás torturas, a falla de asistencia médica básica, sen visitas de familiares, de acceso ao estudo, á escasa ou nulas comunicacións cos seus avogados, ás punicións colectivas e internamento en cadeas de illamento e as chantaxes sistemáticos a menores e persoas con doenzas", destacou Ana Miranda. Sexta declaración institucional do Parlamento por Palestina O pasado ano, a cámara galega reclamou o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas, o respecto dos dereitos humanos de palestinas e palestinos e o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas de que foron expulsadas Está previsto que este mércores o Parlamento galego aprobe unha declaración institucional sobre o pobo palestino, co apoio de todos os grupos, como vén facendo nos últimos anos co gallo do aniversario do comezo do éxodo do pobo palestino, o 15 de maio. Así o fixo no no 2007, 2013, 2014 (en dúas ocasións) e 2016. Na máis recente, aprobada o pasado ano, a cámara galega reclamou o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas, o respecto absoluto dos dereitos humanos de palestinas e palestinos, o respecto absoluto dos dereitos colectivos do pobo palestino e o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas de que foron expulsadas. Ademais, a cámara galega aprobou oito declaracións institucionais en memoria das vítimas do Holocausto dende o ano 2007. Nalgunha ocasión a aprobación destas declaracións orixinou algunha polémica. Por exemplo cando en 2014 o embaixador israelí en España lle escribiu unha carta a Pilar Rojo, presidenta da cámara, manifestándolle a súa "sorpresa" pola declaración e afirman que deste xeito "o Parlamento de Galicia" uníase "aos peores e máis extremistas inimigos de Israel". Tamén en 2013, outra declaración institucional -neste caso referida ao Holocausto nazi- xerou debate, ao esixir AGE que nela se incluíse unha condena do exterminio do pobo kurdo, do pobo armenio e do pobo palestino. |
NOS_58370 | Vicente Antonio Posse Roybanes foi un eminente médico brigantino. Pioneiro na introdución da vacina da varíola na Galiza e razón, probabelmente, de a expedición Balmis ter partido da Coruña. | Esta segunda feira 12 de decembro a TVE emitiu 22 Ángeles, un filme baseado en feitos reais mais cun guión que parte dunha obra de ficción, ou de máis de unha. No comezo da emisión televisiva as intrigas de palacio, os intereses persoais, a astucia, aparecen como un elemento importante na elección de Balmis, médico de indubidábel prestixio, como xefe da expedición que ha de levar a América a vacina da varíola. Mais, até onde eu vin, non hai ningunha explicación ao público da razón de por que se parte do porto da Coruña nin mención ningunha á persoa que primeiro utilizou en Galiza a vacina da varíola, dispoñendo mesmo dunha sala no Hospital de Caridad, un edificio situado xusto onde hoxe se ubica o instituto Menéndez Pidal, máis coñecido como Zalaeta por se ubicar no polígono do mesmo nome. Falamos de Vicente Antonio Posse Roybanes. Sen o seu traballo e investigación a expedición Balmis non sería, ou sería outra cousa. Un médico eminente No Album da ciencia, do Consello da Cultura Galega, podemos ler: "A traxectoria profesional deste eminente médico, estivo marcada pola difusión da vacina da varíola. Segundo os datos dispoñibles, foi o primeiro en utilizar esta nova técnica en Galicia, á vez que a súa actividade profesional está marcada por actuacións que o fan merecedor de ser o seu primeiro difusor en Galicia. Coñecemos o seu labor profesional a través da documentación do Hospital da Caridade da Coruña, do que foi médico, e da correspondencia dirixida á Real Audiencia e conservada no Arquivo do Concello da Coruña." Pose naceu en Betanzos (1753) e morreu na Coruña (1809). Non só sería o primeiro en introducir a vacina na Galiza senón que o faría ao mesmo tempo que en Cataluña o fai Piguillén, introdutor da vacina en España. Hai quen considera improbábel a hipótese de na altura de 1800 Galiza estar á vangarda da investigación na loita contra a varíola, se ben Carlos M. Fernandez Fernández, a quen seguimos a partir de aquí, no seu estudo El médico Pose Roibanes: un brigantino en los inicios de la lucha contra la viruela, publicado no Anuario Brigantino nº 30, de 2007, non desbota esa posibilidade e pregúntase se o intenso contacto marítimo que A Coruña mantiña con Inglaterra podería ter xogado a favor de Pose se anticipar na difusión da vacina descuberta na Inglaterra. A primeira vacina Pose realiza a primeira vacina o 16 de agosto de 1801 "en la criatura que entonces mas amava y era el fruto de mi hija única, un niño hermoso que a la sazón era de cinco meses de edad". A chegada de Balmis á Coruña, de onde partiu o 19 de novembro de 1803, supuxo para Posse o contacto con quen na altura era considerado a máxima autoridade na materia, quedando encargado de manter o virus fresco por se a expedición tiña que regresar. Pouco despois tivo ocasión de dirixir as campañas de vacinación perante os andazos de Bergantiños, A Coruña e mesmo, en 1808, toda Galiza. Hoxe a varíola está oficialmente erradicada. O derradeiro caso foi en Somalia en 1977. A última campaña masiva da OMS foi en 1967 Roybanes foi pioneiro na propagación da vacina para mitigar a varíola, contribuíndo á posta en marcha da sala de vacinación do Hospital da Caridade e obtendo o recoñecemento da propia Coroa. Do Hospital de Caridad non queda nada, só unha referencia no nome dunha rúa. Sobre o seu solar érguese un centro educativo. Nota de Sermos: por erro informamos na primeira versión desta noticia que o filme 22 Ángeles se emitira o 12 de novembro, cando en realidade foi onte 12 de decembro. |
NOS_31391 | "As Irmandades son unha especie de emenda á totalidade das estratexias e da praxe do rexionalismo finisecular de Murguía", di Emilio Ínsua, que vén de publicar 'A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931)', o ensaio máis profundo que se ten publicado sobre este movemento. | Nesta obra publicada por Baía Edicións, de máis de 700 páxinas, Insua deita información sobre o "conflito soterrado" entre as Irmandades e a Academia presidida por Muguía, xa ancián, e sumida "na pasividade e na inacción". De feito, o autor defende que "a orixe das Irmandades haina que ver como unha especie de reacción contra a percepción de que as cousas ían cada vez peor para a lingua galega". E a Academia daquel tempo nin sequera usaba o galego alén dos usos poéticos. Murguía non vía con bos ollos este cambio xeracional, cunhas Irmandades que defendían o monolingüísmo e con posicións xa nidiamente nacionalistas superando o rexionalismo do 'patriarca' Murguía. "É significativo o detalle de que Murguía non participou nunca en ningún dos actos das Irmandades, non colaborou con ningunha das súas publicacións, non tivo ese papel de patriarca que abenzoa este novo colectivo que en teoría ten os mesmos obxectivos que a Academia que fundara en 1906", explica Ínsua, que defende na súa obra que o marido de Rosalía "non perdoou que o novo movemento viñese, en definitiva, a tornar evidente a grande contradición do rexionalismo finisecular entre discurso e praxe a respecto do emprego do idioma galego". "É significativo o detalle de que Murguía non participou nunca en ningún dos actos das Irmandades" Poucos académicos nas Irmandades A pesar de que a primeira xuntanza das Irmandades, a da Coruña, tivo lugar na sede da RAG, poucos académicos participaron no movemento segundo o investigador de Viveiro. De 40 numerarios só sete deles se fixeron socios das Irmandades: foron Manuel Lugrís Freire, Euxenio Carré Aldao, Eladio Oviedo Arce, Florencio Vaamonde Lores, Francisco Tettamancy Gastón, Salvador Cabeza de León e Manuel Banet Fontenla. "Por exemplo, no manifesto de Lugo, que é cando as Irmandades xa adoptan unha definición en clave nacionalista, hai só dous membros da RAG que asinan o manifesto. Paréceme moi revelador do abismo e da distancia que había nese momento entre os que integraban a RAG e esta fornada de activistas pola lingua e polo país que son as Irmandades". E non só iso, un dos académicos que participan nos comezos das Irmandades, Manuel Casás Fernández, logo da clarificación ideolóxica, "pasa a combatelas con toda caste de munición" converténdose nun dos seus principais detractores. Casás remata sendo o presidente da Academia Galega na posguerra "e mesmo monta unha especie de ente para facerlle a competencia que se chamou Instituto de Estudios Gallegos na Coruña con outros intelectuais coruñesistas". |
PRAZA_17777 | ENTREVISTA | Falamos con Bruno Díaz, director do instituto BDRI, con sede no Grove, que a pasada semana realizou novos avistamentos deste xigantesco animal en Fisterra. "O océano galego é moi rico, pero non é infinito. Se os recursos non se xestionan ben, vanse esgotar: para as baleas, para os golfiños, pero tamén para nós", destaca VÍDEO | Unha balea azul, a alimentarse en augas de Fisterra | VÍDEO | Unha balea azul, a alimentarse en augas de Fisterra A pasada semana o BDRI (Bottlenose Dolphin Research Institute), centro de investigación internacional con sede no Grove, difundiu vídeos e fotografías dunha balea azul nadando e alimentándose nas augas de Fisterra. Este novo avistamento parece confirmar Galicia como un territorio frecuente de alimentación para este xigantesco animal, o máis grande dos existentes e que chegou a estar ao borde da extinción hai unhas décadas. Xa o pasado ano destacaban que "a costa galega é moi famosa polos fenómenos de afloramento de nutrintes, sempre foi coñecida pola súa riqueza e pola presenza de grandes baleas" e facían un chamamento a incrementar os recursos para a investigación dos cetáceos que percorren as augas galegas. Nos últimos días o BDRI difundiu novos vídeos nos que se pode ver alimentándose á balea, un exemplar novo e tan só duns 18 metros de lonxitude (poden chegar a 30), cunhas fermosas imaxes subacuáticas. Falamos co biólogo Bruno Díaz, director do instituto. Este avistamento confirma que os do ano pasado non foron unha casualidade? Confirman a Galicia como un espazo preferente de alimentación e migración das baleas azuis? O ano pasado, cando realizamos os primeiros avistamentos, quixemos ser cautos á hora de chegar a conclusións. Hai moitos factores puntuais que poden provocar que un ano haxa unhas determinadas especies nun lugar, pero unha das hipóteses que sempre barallamos era esa: que as augas galegas son un lugar preferente de alimentación para as grandes baleas, considerando que Galicia sempre foi unha zona con alta presenza de cetáceos. A moratoria para a súa caza, aplicada nas últimas décadas, está a dar os seus froitos? Sempre me gusta deixar clara unha cousa: estamos falando da presenza da balea azul en Galicia porque hai xente que o está rexistrando e divulgando. Pero, certamente, como está sucedendo noutras partes do mundo e como se viu aquí con outras especies, as moratorias internacionais para a caza de baleas nos anos 60, 70 e en España nos 80, poden estar dando resultados, de xeito que as baleas poden estar volvendo a lugares que antes ocupaban ou recuperando rutas migratorias que abandonaban. Pero non se trataba só da caza da balea, senón que a sobreexplotación do mar ou o uso de técnicas moi cuestionables, como a pesca con dinamita, alteraron de forma substancial a presenza destas especies. Destacades dende o BDRI a "riqueza" das augas galegas como un dos factores que poden explicar que esteamos ven aquí á balea azul e a outros grandes cetáceos... As condicións da costa galega son excepcionais, as augas de Galicia están entre as máis ricas do planeta. Pode non parecelo, porque esquilmamos a costa ata o límite, pero os fenómenos de afloramento e a circulación das augas levan a que contemos cunhas augas que acollen unha enorme biodiversidade. "Hai grupos en Canadá ou nos Estados Unidos, pero os datos que estamos obtendo en Galicia teñen moitísimo valor. En Europa nas últimas décadas só se localizaban nas Azores ou Islandia, nunca nas costas continentais" Tamén reivindicades que se dediquen máis recursos ao estudo destas augas e da biodiversidade que acollen. Estamos ante unha gran oportunidade? A nós gústanos divulgar esa idea, porque non imos poder conservar unha especie que non coñezamos. É importante que a xente saiba que hai esa riqueza, que hai algo aí que temos a obriga de protexer. Somos un centro de investigación autónomo, que non dependemos de ningunha institución. Polo tanto os recursos son limitados. Somos un centro de formación académica, neste momento temos varios estudantes de postgrao de todo o mundo e grazas a iso podemos financiar tarefas de investigación. E para nós é fundamental a divulgación do coñecemento. O avistamento de baleas está a mellorar a imaxe de Galicia, a nivel turístico e económico. E non porque a xente vaia vir aquí a buscar golfiños, senón simplemente porque asocias iso con limpeza das augas, cun medio ambiente rico e ben coidado. Coñecer mellor o océano e a vida que contén axuda a concienciar sobre a importancia de coidalo? Se é certo que as baleas azuis están regresando, temos que permitirlles que volvan a onde sempre estiveron. O océano galego é extremadamente rico, pero non é infinito. Se os recursos non se xestionan ben, vanse esgotar: para as baleas, para os golfiños, pero tamén para nós. E os cambios só chegarán se a opinión pública está concienciada, os gobernos só actuarán se a xente está concienciada, e só pode estar concienciada se está informada. "O océano galego é moi rico, pero non é infinito. Se os recursos non se xestionan ben, vanse esgotar: para as baleas, para os golfiños, pero tamén para nós" Salientades igualmente que a balea azul é un animal sobre o que aínda sabemos moi pouco, que é moito o que estas investigacións poden permitir coñecer. É así? A balea azul garda moitísimos segredos, en xeral todos os cetáceos. O feito de que esteamos estudando a balea azul en Galicia é algo moi importante. Falamos dunha especie moi simbólica, emblema da conservación dos océanos, que ten unha rutas migratorias de miles de quilómetros, que se despraza por medio planeta e sobre a que apenas hai estudos de investigación. Hai grupos en Canadá ou nos Estados Unidos, tamén nas Azores se realizan moitos avistamentos, pero os datos que estamos obtendo en Galicia teñen moitísimo valor. En Europa nas últimas décadas só se localizaba nas costas de Azores ou Islandia, nunca nas costas continentais. |
NOS_22796 | É unha situación que se repite acotío: os servizos de urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti permanecen desbordados. A CIG-Saúde denuncia que as persoas doentes xa atendidas teñen que ficaren en camas nas propias urxencias á espera de seren ingresadas. | Esta cuarta feira cinco pacientes sufrían o colapso do hospital de Lugo e, aínda que xa foran atendidos, tiveron que ficaren en camas no propio servizo de urxencias porque non ficaba cama ningunha en todo o hospital e porque o servizo de observación estaba ateigado. Así o denuncia Carme Aira, secretaria comarcal da CIG-Saúde, quen alude á frecuente saturación das urxencias do HULA. A Xunta de Persoal leva unha semana á espera de obter resposta algunha da Xerencia "Os doentes xa atendidos permanecen en camas no servizo de urxencias en espera de seren ingresados nas unidades onde lles correspondería", lamenta a sindicalista, quen advirte de que a situación non é puntual, "na cuarta feira da semana pasada a situación repetiuse con outros dez doentes". Precisamente, a raíz da situación vivida por estas dez persoas, a instancias da CIG, a Xunta de Persoal se dirixiu á Xerencia do hospital para lle solicitar explicacións, unha petición que careceu de resposta polo de agora. A CIG pregúntase polos criterios de apertura de camas que vai seguir a Xerencia do HULA tendo en conta a situación de colapso que se produce con frecuencia, "non pode ser que teñamos os doentes nos corredores e nos boxes esperando a seren ingresados", apunta Carme Aira, quen sinala que o servizo das urxencias está a convertese nunha planta máis de ingreso. Carme Arias: "O hospital permanece con camas perfectamente viábeis pero inoperativas" "Os doentes son atendidos polo mesmo persoal que atende as urxencias e isto provoca unha saturación no servizo. Á vez, o hospital permanece con camas perfectamente viábeis pero inoperativas", advirte a sindicalista. "Todo isto sucede por termos un hospital a medio rendemento con plantas fechadas", lamenta. |
PRAZA_15810 | O cantante coruñés finou o 26 de xaneiro de 1986. Este luns vindeiro luns, na véspera da efeméride, proxectarase no CGAI na súa honra o documental Un crooner na fin do mundo, unha homenaxe que continuará na praza de Sellier | O 26 de xaneiro de 1986 morría na Coruña Pucho Boedo. Este luns, na véspera do 30 cabodano, o CGAI proxectará ás 20 horas o documental Un crooner na fin do mundo. Un acto de homenaxe que continuará ao remate do filme na praza de Sellier, no bar Buserana, "antigo Rial, onde o mestre algunha cunca ten tomado", explica Xurxo Souto. Alí, "as e os puchistas sinceros seguiremos a significar coa música estes XXX anos de lenda", explica. "A Pucho pásalle como a Carlos Gardel: cada día canta mellor. Un mito verdadeiro, porque os seus mentores non foron os grandes medios de comunicación. Fomos nós, as súas veciñas e veciños. Pucho Boedo é o noso crooner. Non importa o contexto, todos os coruñeses da súa xeración afirman ter sido amigos persoais do vocalista", destaca Souto. Nos últimos anos foron moitas os recoñecementos que recibiu Boedo, sobre todo na súa cidade. Hóuboas de todos os tipos: máis institucionais, en forma de gala e concerto televisado, e tamén máis populares. De feito en varias ocasións Pucho Boedo volveu ser protagonista no barrio do Ventorrillo, onde foi homenaxeado pola veciñanza. "Pucho, dandi bohemio, conquistador…O sorriso do crooner agachaba unha grande dor. O seu pai e o seu irmán, lideres sindicalistas daquela Coruña libertaria, foron asasinados tras do golpe militar contra a República. Pucho tiña sete anos. Unha dor da que non lle estaba permitido falar, mais que podía expresar á fin cada vez que subía ao escenario", lembra Souto. "Finou no ano 86. Os grandes artistas non morren, porque cando a súa vida acaba comeza a lenda", conclúe. "Na épica contemporánea dos galegos o gran heroe non é guerreiro senón vocalista: Pucho Boedo. Un artista superdotado –en sensibilidade- que pousou a aloumiña da emoción en todos os que o escoitaron", engade. Unha ducia de vídeos de Pucho Boedo |
NOS_29094 | O Liceo cede un empate a 3 goles face un moi intenso Igualada e após desbaldir até tres faltas directas. O combo coruñés acusou a presión. Con todo, unha vitoria na cancha do Lleida o vindeiro sábado daría á equipa galega a súa primeira liga nas dúas últimas décadas. | O acoso do Barcelona (que bateu comodamente no Palau ao Voltregá, 7-1) está a pasar factura psicolóxica á escadra de Carlos Gil e nomeadamente a algúns dos seus xogadores chave. Esta mañá, sen irmos máis lonxe, Jordi Bargalló, considerado o mellor xogador do planeta, non estivo á altura precisa e a equipa resentiuse. O Liceo xogou tendo moi presente o 7-1 do Palau e o feito de que, a igualdade final de pontos, o Barcelona sería campión, dado que ten ao seu favor o goal average. Con todo, o Liceo, ao empatar, mantén a última bala no seu poder. Continúa a depender de si propio Alén do máis, confrontou a oposición dunha moi boa equipa, un Igualada que estivo intensísimo e que criou moitos problemas ao combo galego. Tampouco tivo o seu día o gardamallas local, que papou dous lanzamentos moi lonxanos que en condicións normais non terían tido que subir ao taboleiro de marcas. O Liceo desbaldiu non só a renda de dous goles coa que chegou ao ecuador da segunda metade (3-1), mais tamén dúas superioridades numéricas e até 3 penas máximas!! O Igualada, en troca, deu transformado en gol a única falta directa da que dispuxo, a que deu lugar ao 3-3 definitivo. Con todo, o Liceo, ao empatar, mantén a última bala no seu poder. Continúa a depender de si propio. Se gaña o sábado en Lleida será campión. O Barcelona visita, alén do máis, unha cancha moi complicada: a do Igualada. Veremos se fronte aos blaugrana o Igualada mantén a tensión que exhibiu en Riazor. |
NOS_27203 | O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza ratificou a condena contra o Servizo Galego de Saúde (Sergas) por activar de forma tardía o protocolo do 061 nunha emerxencia na que un home faleceu en abril de 2018 no municipio de Cartelle (comarca de Celanova). | O Alto Tribunal desestima o recurso de apelación presentado pola Administración galega, á que condena a indemnizar con 66.000 euros a viúva e a filla dun home falecido. A sala estima que o protocolo para recoller en helicóptero o home foi activado tarde e que non pode determinarse que ocorrese no caso de que o proceder do Sergas fose o correcto e a aeronave chegase antes ao lugar onde se atopaba o home. Os feitos tiveron lugar en abril de 2018 no lugar de Outomuro, situada no municipio de Cartelle. O falecido detivo o vehículo no que circulaba xunto á súa muller ao atoparse mareado. Foi ela quen se deu conta de que o seu marido non respiraba con normalidade e decidiu chamar ao 061. Segundo consta na sentenza, contra a que cabe recurso de casación, na propia chamada indicou que o marido se atopaba "moi mal", sen apenas poder respirar, polo que pedía asistencia sanitaria. Recibiu como resposta que "non había ambulancia dispoñíbel" no momento e que achegase ao home até o PAC máis próximo, o de Celanova, situado a 15 quilómetros do lugar. Denuncian que os helicópteros do 061 prestan o servizo "menos tempo do contratado" Aínda que nun principio aceptou, a situación empeorou e volveu chamar ao 061. Engadiu que o seu marido xa fora ingresado en UCI por un problema respiratorio pero a resposta desde a central foi, segundo reflicte a sentenza, que por que non trasladaba ela mesma o home. Nese momento a muller xa se atopaba coa súa filla, que foi quen fixo unha terceira chamada ao 061 expoñendo que o seu pai estaba "negro", "tombado no chan" e perdendo o coñecemento. Produciuse unha cuarta chamada, realizada por unha enfermeira de Cartelle que foi avisada por un veciño. Esta alertou que o home "non estaba morto" pero "si inconsciente e non saturando", polo que insistiu na necesidade de que o recollese unha ambulancia. Esta profesional tivo que facer unha reanimación cardiopulmonar, coa que logrou que o paciente recuperase o pulso. Con todo, cando chegou o helicóptero pasara máis de media hora e a vítima entrara en parada cardiorrespiratoria. O home foi trasladado ao CHUO de Ourense, onde foi evacuado pola imposiblidade de chegar a Vigo. O 061 tardou sete minutos en atender unha chamada de Salvamento por un mariñeiro accidentado que finalmente morreu Por todo iso, a familia do falecido acudiu aos tribunais e o xulgado do Contencioso Administrativo de Santiago de Compostela determinou que a aseguradora da administración demandada, o Sergas, debía facer fronte a unha indemnización de 66.000 euros, 60.000 para a muller do falecido e 6.000 para a filla, "por perda de oportunidade" ao non poder asegurar "que pasaría" co home de activar con anterioridade o protocolo. O Sergas recorreu ao Tribunal Superior de Xustiza, que agora volveu dar a razón á familia. No texto recóllense as horas das chamadas ao 061, a primeira fíxose ás 19.06 e o helicóptero "non foi avisado até as 19.23". Segundo o TSXG, "foi esencial para poder evacuar o enfermo ao hospital". "Queda a dúbida de se as consecuencias serían menos graves e de se podería ter máis posibilidades de superar a afección", resaltan os maxistrados. Ademais, engaden que a filla do falecido "fixo ver a gravidade" da situación indicando como se atopaba o seu pai e que non podían trasladalo eles mesmos, polo que a sentenza alega que "non pode poñerse de escusa a falta de comprensión do lugar no que se atopaba o paciente, pois déronse os datos na primeira chamada". Así pois, desestimaron o recurso de apelación interposto polo letrado do Sergas e impuxeron a indemnización de 66.000 euros á familia, así como o pago das custas procesuais. |
NOS_16270 | Unha sentenza xudicial evidencia catro anos despois as eivas na tramitación e recoñece o dereito da familia a ser compensada. | O 17 de novembro de 2017, catro días despois de falecer Rafael Valle González, afectado pola Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), a súa familia recibía o recoñecemento da situación de dependencia que lle daría acceso ás prestacións económicas da Xunta da Galiza para intentar paliar algunhas das moitas dificultades provocadas por esta doenza. En concreto, Valle solicitara, a través da Lei de Dependencia, unha axuda para contratar un asistente persoal profesional que o axudase a acceder ao mercado laboral e a levar unha vida máis autónoma, unha petición que lle fora denegada en vida e que decidiu recorrer ante a Xustiza. Case catro anos despois, segundo puido saber Nós Diario da man da Asociación Galega de Afectados de ELA (Agaela), unha sentenza do xulgado do contencioso-administrativo vén de obrigar á Consellaría de Política Social a recoñecer os atrasos pola demora na resolución do recoñecemento da dependencia e no dereito que o doente tiña a recibir as prestacións, alén da demora na tramitación da resolución do procedemento. A Xustiza recoñece, desta forma, o dereito da familia a percibir o importe correspondente ás prestacións desde a estimación por silencio até o pasamento de Rafael Valle. "Para nós foi un golpe recibir o recoñecemento de dependencia unha semana despois da morte de Rafael, e con este recurso xudicial queremos conseguir que ningunha outra persoa volva pasar por unha situación así", sinala a súa viúva e nai de dous fillos de Rafael, cuxa familia se amosa convencida de que, de ter obtido o recoñecemento naquela altura e poder contratar un asistente, a súa calidade de vida tería mellorado "notabelmente". "Coa ELA non hai tempo para equivocacións" Para José Piñeiro, avogado da familia, esta sentenza supón unha "gran noticia", e agarda que sexa tamén de utilidade "para tantas familias de persoas en situación de dependencia que precisan que os seus casos sexan tratados pola Administración con urxencia e responsabilidade", xa que, inciden desde Agaela, nunha patoloxía como a ELA "non hai tempo para equivocacións", porque pode resultar mortal "nun prazo de tres a cinco anos desde a diagnose". "Queremos que esta sentenza contribúa a que outras persoas non pasen polo mesmo, que o Goberno galego cumpra co recollido na Lei de Dependencia e non deixe no desamparo a quen tanto necesita asistencia", conclúe Piñeiro. |
NOS_23296 | Levantarse e caer, e non caer e levantarse, é o título do novo disco de Xabier Díaz, un proxecto íntimo, lírico e diferente na súa sonoridade que o músico mantén en paralelo coa xira do seu último traballo coas Adufeiras de Salitre, As catedrais silenciadas. Levantarse e caer é unha mirada sandadora á infancia. Un ollar a unha aprendizaxe na que se cae unha e outra vez e na que non sempre agarda, despois, o triunfo. Porque ademais o "éxito" pode ter que ver, ou non, coa maior ou menor felicidade. | No disco hai un ollar á infancia. Por que? Por necesidade de regresar para repasar. Para detectar que cousas cambiaron no neno que fun, para ben e para mal. Para volver tamén a cousas que esquecera, polas que estiven sangrando posteriormente, para poder curalas. A xente non está preparada para perder e nin sequera para non ter likes cando sobe un post. Iso crea sentimentos de soidade, de frustración, de fracaso… O primeiro single, Levantarse e caer, fala da importancia de aprender a aceptar con naturalidade que a vida é gañar e perder… Vostede non é unha persoa que perdese profesionalmente. Eu sempre me tiven por unha persoa de perfil medio ou baixo. Como músico nunca tiven o éxito como algo moi presente, probabelmente tamén polo medo que me acompañou desde cativo. Xa era consciente da presión que supuña que che dixesen que se querías gañar diñeiro tiñas que ser o primeiro en todo: o primeiro da túa promoción na carreira, o primeiro xogando ao fútbol na escola… Tamén é un xeito de socializar, sobre todo, os homes: ser os campións, os que teñen que vencer, gañar… O paradigma do éxito tamén é unha moda neoliberal que nos veu, probabelmente dos Estados Unidos. Se estás mal, é culpa túa, que non te esforzas, que non saes da túa "zona de confort", etc. Si, eu penso que as redes agudizaron ademais ese problema, que ten moitas consecuencias a nivel de saúde mental. A xente non está preparada para perder e nin sequera para non ter likes cando sobe un post. Iso crea sentimentos de soidade, de frustración, de fracaso… Canto á televisión, xa case non hai programas nos que se mostre de modo natural o que fan os artistas noveis. O que hai son realities nos que hai que competir, ser o mellor, e ademais facendo covers… Empezando polo son, este é un disco diferente… É un disco acústico, con guitarra española, que predetermina unha atmosfera concreta. E non é raro porque teño a Josete Ordóñez nas guitarras e na produción. Apetecíame saír da sonoridade máis apegada ao terruño. Facer outra cousa. É "levantarse e caer" e non "caer e levantarse". Por que? Porque é levantarse e caer, e volver caer, e volver caer. E non ten por que estar agardando a vitoria ao final. Se o dicimos como é habitual, non lle estariamos a mudar o sentido. Na presentación do disco fálase dunha ollada sandadora pero non nostálxica á infancia. Mais si se pode apreciar certa nostalxia. Iso é malo? O que acontece é que, a consecuencia da reconversión industrial en Astano, tiven que deixar o meu barrio para ir vivir á Coruña, para buscarnos a vida. A min pilloume iso nun momento moi delicado. Sentín unha tristeza profunda por deixar o que era o meu mundo, o barrio que me protexía, no que me sentía forte. Iso provocoume tamén un problema de adaptación ao chegar á Coruña: nos estudos, nas relacións sociais, etc. Eu agora son un lector cando menos implicado. Pero de mozo era mal estudante e iso facíame sentirme fracasado. Si había materias que me gustaban, como as literaturas e a historia da arte, pero o que me dicían era que eran menores, que non me ían valer para nada. Acabei meténdome nunha carreira de ciencias na que fracasei mais, afortunadamente, naquel momento decidín facerme músico. E ao meu barrio volvín moitas veces pasear. Até idades que non quero nin confesar. Na voz e nos coros acompáñao Antía Muíño. Quen é? Antía está agora gravando o seu primeiro disco. É unha moza moi nova da terra de Soneira, de Baio. Vin algún vídeo dela na rede e quedei moi sorprendido. Decidín ir a un concerto seu e gustoume moito. Falei con ela para propoñerlle que participase no meu disco. As letras e as músicas son súas, agás tres. Unha delas é "Luchín". "Luchín" é unha canción de Víctor Jara. Unha canción optimista porque fala dun neno que se cría nunha favela e do que se imaxina que terá a oportunidade de converterse nun adulto de proveito. "Luchín" é unha das dúas versións do disco. A outra é "Regalitos", de Juan Quintero. Teño unha querenza pola música de Juan Quintero e, en xeral, pola música popular arxentina, sobre todo pola contemporánea. Meu pai era unha persoa implicada no sindicalismo. Eramos unha familia proletaria e a militancia era o que eu vía na casa. Cando había conflitos, os traballadores organizábanse. Agora é como se nos tornásemos inmunes a todo, como se nada conseguise sacudirnos. "Infancia querida" leva moito acordeón e fala de non abandonar a militancia da xustiza. Ten que ver co que vostede dicía antes. Esta canción lévame á miña época do instituto. Eu participaba de todas as militancias: era antimilitarista, ecoloxista… Andaba metido en todas as disidencias. E penso que era unha proxección da atmosfera que vivía na casa, do tempo das loitas contra as reconversións. Meu pai era unha persoa implicada no sindicalismo. Eramos unha familia proletaria e a militancia era o que eu vía na casa. Cando había conflitos, os traballadores organizábanse. Agora é como se nos tornásemos inmunes a todo, como se nada conseguise sacudirnos. Por que se fala na presentación do disco de resiliencia? Teño a sensación de que trouxen á etapa adulta mochilas da infancia: feridas, accidentes, traumas… E co disco trataba de reafirmarme na aceptación da dualidade da realidade: quero dicir, hai cousas bonitas que te marcan positivamente e cousas chungas que tendemos a agochar. Pero iso queda nalgunha capa da pel e acaba manifestándose nas túas relacións persoais, amorosas, laborais, etc. "María e a Curuxa" leva unha guitarra acústica que ten un toque árabe… "María e a Curuxa" é un relato do animalario que hai no bosque. Hai pícaros que non saben o que é un esquío, ou unha curuxa, ou unha cabuxa. É un relato que podería ser o de calquera bosque galego. A sonoridade que recoñeces é unha guitarra flamenca. Claro que hai influencias do mundo árabe que impregnaron toda a paisaxe musical peninsular. O cal tamén podería axudarnos a realizar unha reflexión sobre como construímos a nosa identidade. Porque a mirada permanente á cultura castrexa deixa fóra outras cousas. "O merlo azul" é un arrolo. Si. Podería considerarse unha continuación daquel disco que fixen con Guille Fernández, Arrolos de Salitre. Esta canción está moi vencellada a aquel álbum. En Levantarse e caer teño tamén, como naquel disco, a colaboración de varios músicos. Ademais de Josete Ordóñez e Antía Muíño, dos que xa falamos, neste disco están Pedro Pascual ao acordeón diatónico, Germán Díaz nas zanfonas, Manu Maseado e Aleix Tobias na percusión e Guillem Aguilar e Marcos Herreros nos baixos. Na "Festa do bosque" destaca a percusión. E ten traza de non ser unha historia inventada. É, efectivamente, unha festa que existe, que se fai polo San Xoán no río Anllóns. Eu fun unha vez. Consiste nun descenso de barcos feitos á man polo río Anllóns. Os pícaros levan uns barcos preciosos de cartón que se desfán no mesmo día. É precioso de ver. Algo moi poético. "Canção de ninar" está en portugués. É do último que fixemos para o disco e foi froito dunha casualidade. Chamáronme de El Naán, unha banda palentina moi popular, para participar no seu último disco. Así coñecín a Sara Leite, que tamén estaba entre os colaboradores do disco. Convideina a que escribise algo para min e fixo este texto marabilloso. Interésame ese mundo da transmisión oral vencellado aos arrolos. Esas cancións que as mulleres cantaban porque necesitaban adormecer os nenos mentres facían outras catro ou cinco cousas a un mesmo tempo "O meu neno" é outro arrolo. E "Nana do sol". Si. Podería dicirse que a metade do álbum son arrolos. Por iso conecta tanto con Arrolos de Salitre. Este en concreto podería ser un arrolo tradicional. Interésame ese mundo da transmisión oral vencellado aos arrolos. Esas cancións que as mulleres cantaban porque necesitaban adormecer os nenos mentres facían outras catro ou cinco cousas a un mesmo tempo. "Nana do sol" pode ser un arrolo ou unha canción de homenaxe polos que se foron. Teño a sensación de que á nosa xente, aos nosos pais, aos nosos avós, non lles preguntamos todo o que debemos cando aínda están con nós. E despois xa é tarde para preguntarlles. Todo o disco transmite calma, paz. É un disco de paréntese. O anterior, coas Adufeiras, saíu hai xa dous anos, en marzo de 2020, pero veu a pandemia e non puido haber actividade normal. Os discos teñen que ter un ciclo máis longo, duns oitenta ou cen concertos, e iso coa Covid non foi posíbel. Así que seguiremos ao longo deste ano e despois xa veremos o que facemos. Xabier Díaz: "O noso proxecto inmediato é retomar a xira" Co segundo disco coas Adufeiras, Noró, antes da pandemia, realizou unha xira internacional bastante extensa. Vostede sempre di que hai que dignificar o trad para que deixe de percibirse como música de segunda. Hai avances niso? Agora acaba de acontecer o das Tanxugueiras, que penso que están a facer moito, pero tampouco quero enganarme. Para min chegou un momento en que decidín deslocar o meu ámbito de traballo e o meu perfil de público. Tomei decisións que podían ser estrañas no trad como ir tocar a salas de rock ou ir a un teatro a billeteira. A temporada máis activa é de maio a setembro mais, o resto do ano, que fas? Pois viaxas para tocar, vas tocar a un teatro… Nós tocamos fóra da Galiza, no Estado, unhas dez veces ao ano. E antes da pandemia tamén por Europa e América. E iso é proactividade: ir ás feiras internacionais… Se queres chamarlle así, business, industria. E penso que niso quédanos moito camiño por percorrer. Había experiencias previas: Carlos Núñez, Luar na Lubre, etc. Pero non é o habitual. Tendemos ao cultivo máis interno, a quedar no mercado galego. É san e enriquecedor saír. Pero supón un risco e ademais é un proceso lento. Nós levamos seis anos indo a Barcelona. A primeira vez tivemos 130 persoas e a última 360. Mais probablemente chegaremos a 500: eu non son un artista mainstream. Pero iso permíteme engadir unhas datas máis ao calendario e é traballo para a miña xente, para a miña tribo. E chega un momento en que non perdes diñeiro, senón que comezas a gañar algo. Mais gañaches por outro lado. Porque a túa xente traballou, saíu, está contenta e ademais a banda está engraxada porque non somos músicos estacionais. Eu vexo caras de satisfacción cando collemos un avión para ir tocar a Europa. E é moi bo testar o que fas con outro tipo de públicos. A reacción fóra adoita ser, ademais, boa… Ás veces vai moi ben, ás veces non tan ben e ás veces mal. Mais dicir que cada vez que saes triunfas ten relación co que diciamos antes, co medo a aceptar a derrota. Non pasa nada por dicir que de vez en cando non somos tan ben acollidos. O tema do último disco coas Adufeiras, As catedrais silenciadas, é o abandono do rural e a perda da identidade. Dúas temáticas, tamén, difíciles de tratar sen caer nos tópicos. Para min iso está moi conectado co traballo de campo que fixen. Aprendín moitas cousas de música e baile, pero tamén de lingua, de gastronomía e en xeral dunha sociedade rural que para min, que son urbanita, era totalmente descoñecida. E o que acontece é que o 90% dese patrimonio: os campanarios, as pontes, os muíños..., está esmorecendo, e con el vaise parte da nosa idiosincrasia. É un mundo que me impactou e que agora está caendo pedra a pedra. Pero, iso si, temos unha catedral en Santiago que vén visitar todo o mundo. Citabamos antes Arrolos de Salitre. Tivera proxectos parecidos, de menos xente, como ACadaCanto. En realidade, sempre alternou eses dous xeitos de facer. Hai momentos de conexión cunha súper enerxía, co modo festa con moita xente, e outros proxectos máis pequenos, con menos xente, con menos instrumentos… Iso tamén pode ser un risco porque o público non acaba de situarte. Pode haber certa reticencia por parte do público máis trad a eses proxectos máis líricos, máis íntimos, pero eu animo a darlles unha oportunidade aos dous ou, senón que cadaquén quede co que máis lle gusta. Por que non se sosteñen proxectos dos grandes coma Berrogüetto? Antes citabamos a Luar na Lubre. Tocan moito máis fóra que aquí. Iso é un tema complexo do que só podo dar a miña opinión. Por unha parte, o mercado foi evolucionando dunha maneira moi rápida e probabelmente Berrogüetto tivo un problema de adaptación respecto a iso. Mais por outra banda tamén é certo que Berrogüetto eran tremendamente honestos e non ían traizoar o que eran. Por iso decidiron deixar o proxecto cando aínda tiña, usando unha metáfora, un bonito cadáver. Porque tamén hai que saber cando parar. E tamén supoño que o cambio tan brutal que se produciu no mercado colleu a banda fatigada. Eu vexo proxectos culturais que medran de forma desproporcionada. E logo veñen dous anos malos, como viñeron, e vese a realidade. Non foron os únicos. Eu penso que pasa na cultura en xeral. Penso que hai que ter coidado cos placebos, co soro da administración, coa morfina das subvencións. Porque hai que ter outros alicerces de supervivencia. Eu vexo proxectos culturais que medran de forma desproporcionada. E logo veñen dous anos malos, como viñeron, e vese a realidade. Eu non renuncio, por suposto, a traballar contratado pola administración. Pero non vou tocar sempre gratis contratado pola administración, senón que vou tocar a un teatro ou a unha sala de concertos e cobro unha entrada. E ademais iso empodérame. Beatriz Busto vén de sacar un libro no que fala da influencia que, aínda hoxe, mantén no folclore a manipulación franquista. Estou de acordo. Hai unha hiperfolclorización que vén da Sección Feminina. Penso que a xente nova está a romper o paradigma, pero a xente da miña xeración pensaba que o home guiaba, que o home erguía moito os brazos e as mulleres non tanto… Son ideas que veñen do tardofranquismo e penso que as persoas que nos dedicamos a isto temos a responsabilidade de poñelas en cuestión. A cultura popular era moito máis viva, pero o franquismo fixo unha foto fixa e a imaxe quedou conxelada. E penso que as agrupacións folclóricas, que fan un labor imprescindíbel, teñen que revisar iso. Busto fala non só diso, senón dunha asunción inconsciente dunha idea de subalternidade, de inferioridade como pobo. É que tamén é algo moi recente: do tardofranquismo e do posfranquismo. Hai moita xente próxima á música popular, tradicional, e agora ademais as Tanxugueiras déronlle un pulo moi importante. Pero tampouco imos enganarnos, porque sempre houbo unha parte da elite cultural, da progresía, que rexeitou o que facemos, en parte pola utilización política do folclore que fixo o fraguismo. Hai xente que abraza calquera outro tipo de música que non é nin máis substancial nin máis profunda. En cambio, os que bailan son, sobre todo, xente nova. O rock xa non é o paradigma, senón o trap. Pero, a xente nova está desconectada da música tradicional? En absoluto. E niso si que podo dicir que o caso galego é único no mundo. Nin en Escocia, nin en Irlanda… É abraiante como engancha a tanta xente nova. E agora, na era do trap, veñen tres mozas que fan que ese mundo se entenda co trad, e iso é marabilloso. Hai pouco estiven nunha foliada na Fonsagrada. Había 300 mozos e mozas, cos seus piercings e coas súas Adidas, bailando na rúa. O que pasa aquí non pasa noutras latitudes. En cantidade e calidade, porque o baile tradicional é tecnicamente complexo, ademais. "Teño a sensación de que na música tradicional son unha especie de converso" |
NOS_611 | A líder visitou a planta de Stellantis en Vigo, desde onde trasladou o apoio do BNG ao sector da automoción. | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou esta quinta feira a planta viguesa de Stellantis. Alí, demandou ao Executivo do Estado español, á Xunta da Galiza e á propia multinacional que estabelezan colaboración e compromiso para que a Galiza non quede excluída do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) na automoción, o denominado polo Ministerio de Industria Perte do vehículo eléctrico e conectado, dotado con 12.000 millóns de euros con cargo aos fondos Next Generation. Stellantis rexistra dous proxectos ao Perte de vehículos eléctricos, un deles apoiado pola planta de Vigo "Até o momento a planta automobilista da Galiza, unha das máis produtivas de Europa, está excluída, e desde o BNG pensamos que debe ter un apoio claro nun momento no que se están producindo grandes transformacións no sector", indicou, en relación ao proceso de transición enerxética cara á descarbonización definido pola Unión Europea, que fixa en 2035 a data a partir da cal só se poderán fabricar coches eléctricos. "Preocúpanos que o Perte da automoción deixe fóra a unha empresa tan importante para o noso país como Stellantis e, por iso, pedimos colaboración entre o Executivo estatal e a Xunta para garantir o acceso a eses fondos, porque o único que temos son boas palabras, mais iso non chega para evitar que a Galiza quede discriminada nun dos Pertes máis importantes que ten en marcha o Estado", argumentou a líder do BNG. Stellantis lidera o mercado español da automoción en 2021, con especial peso de Vigo Para evitar esa discriminación, a líder nacionalista tamén considera importante que a propia Stellantis "faga unha aposta estratéxica" pola Galiza, "porque se vai decidir como se redefinen as plantas de compoñentes e consideramos importante que o noso país este aí e que exista un compromiso da empresa". "É evidente que, neste proceso de transformación cara ao coche eléctrico, todas as fábricas de compoñentes van ter un papel chave é debe haber un compromiso claro de Stellantis", reiterou Pontón. Pontón trasladou o apoio do BNG ao sector da automoción, "estratéxico" para o país e "chave desde o punto de vista económico e industrial", porque xera máis de 23.000 postos de traballo directos. O sector, dixo a portavoz dos nacionalistas, está en plena transformación, o que provoca incertezas, mais tamén oportunidades. "Estamos convencidas do potencial do sector e, por tanto, hai que afrontar con decisión estas transformacións", aseverou. "Crecemento económico xusto" Así mesmo, Pontón referiuse ás condicións laborais no sector, afirmando que "a chegada de fondos públicos ten que servir para darlle músculo, mais tamén ten que repercutir na creación de emprego en condicións de traballo dignas". O balance anual da automoción galega: medra a facturación 7% mentres se perden 1.530 empregos Neste sentido, explicou a portavoz nacionalista, o BNG considera que a precarización laboral "é un modelo fracasado", polo contrario, "se queremos fortalecer a sociedade, se queremos fortalecer un crecemento económico xusto e que a transformación que está en marcha no sector da automoción non implique un menoscabo en termos de emprego, debe haber un compromiso de todas as partes de que se avanzará cara á mellora das condicións laborais e cara á creación de emprego", concluíu. |
NOS_51861 | A iniciativa social convocará un acto aberto en outubro e comezará a preparar a súa listaxe e programa electorais. | A Marea Atlántica conta xa co aval cidadán que precisaba para se lanzar ás eleccións municipais. Esta sexta feira o proxecto político que visa construír unha candidatura veciñal ás eleccións municipais de 2015, alcanzaba as 2.500 sinaturas. Este fora o obxectivo inicial que se marcaba o grupo promotor da iniciativa que a partir de agora encetará unha nova fase. Será a partir do vindeiro 1 de outubro cando inicie unha "análise pública das sinaturas" e convoque un acto aberto como pistolada de saída, din, para "crear un espazo de confluencia liderado pola cidadanía" co que "recuperar María Pita para o 99%". Desde a iniciativa valoran "de xeito moi positivo" o decorrer dos acontecementos após desenvolveren 7 asembleas sectoriais ou barriais e de obteren o número de apoios cidadáns ao manifesto que se fixaran inicialmente. Neste senso, lembran que até o 1 de outubro fica aberto o prazo para se sumar a este proxecto en forma de adhesión individual online ou nos puntos habilitados pola cidade herculina. Con este primeiro obxectivo cumprido a Marea Atlántica colle folgos para iniciar o proceso de construción da listaxe electoral coa que concorrerán aos comicios de maio e para a elaboración do seu programa electoral. |
PRAZA_9837 | A pobreza está invisibilizada, e temos que facer que salga ao debate público. Que a xente do común poida ver cos seus ollos o resultado do fracaso dun Estado do benestar mermado e desigual no que o único que crece é a aporofobia | Poucas veces un libro removérame tanto por dentro. Supoño que cando un viviu de certa maneira o que o relato mostra, o natural é que o hipocampo comece a funcionar e conforme avanzamos na lectura, escarbemos nas nosas lembranzas máis dolorosas. Silencio administrativo. La pobreza en el laberinto burocrático (Anagrama) é o libro máis recente de Sara Mesa (Madrid, 1976). É unha das autoras de narrativa que con máis forza irrompeu no panorama literario, e os seus títulos Cicatriz (2015) e Cara de Pan (2018), ambos editados por Anagrama, foron éxitos de crítica e vendas. Na nota inicial desta obra, a autora fai un repaso moi rápido sobre os datos de pobreza no Reino de España. Á súa vez, dá nome a este drama social introducíndonos no termo aporofobia, acuñado por Adela Cortina fai xa dezanove anos. Foi unha sorpresa moi grata para min descubrir que Sara Mesa é defensora da Renda Básica, xa que nesta nota inicial fai referencia a esta idea e a algúns dos autores máis relevantes sobre este tema, como Daniel Raventós, Philippe van Parijs ou Guy Standing. Neste libro atoparemos a historia de Carmen, unha muller sen fogar e enferma que malvive mendigando nas rúas de Sevilla. Beatriz, unha muller que no seu camiño ao traballo pasa todos os días diante de Carmen, un día repara nela. Como pode ser que esta muller estea a pasar todo tipo de calamidades, se existen uns servizos sociais que velan polas persoas sen recursos? A partir dese momento, Beatriz tenta axudar a Carmen a acceder á Renda Mínima de Inserción Social da Junta de Andalucía, unha axuda para persoas con baixos recursos que oscila entre os 420 e os 780 ao mes, en función dos membros que compoñan a unidade familiar. Carmen, debido ás súas experiencias anteriores cos servizos sociais, mostra a súa incredulidade ante a posibilidade de que a Administración lle vaia a sacar da súa situación. En cambio, Beatriz amósase esperanzada xa que o goberno andaluz fixo gala de que esta "renda para pobres" chegará a 42.000 familias andaluzas. Durante o relato iremos vendo como se van chocando unha e outra vez coas paredes do labirinto burocrático. A medida que se van atopando cos obstáculos para acceder a esta renda condicionada, a autora expón que a excesiva burocratización e os requisitos absurdos para acceder a este subsidio levan a que as súas potenciais perceptoras non se atopen en risco de exclusión, senón que se atopen excluídas desde un primeiro momento ao non cumprir os requisitos. Mesa fai fincapé nos "namentres", os longos períodos que suceden desde o primeiro contacto con servizos sociais ata que finalmente recibes (se é que a recibes) a axuda. Eu vivín nas miñas propias carnes os "namentres", e non me entra na cabeza que a unha persoa nun despacho da administración de turno parézalle que alguén poida estar sen ningún tipo de sustento económico durante seis ou sete meses. E como isto, moitos exemplos que nos atoparemos neste libro. Por exemplo, un requisito para cobrar calquera axuda deste estilo é o empadroamento no municipio. Cando es unha persoa sen fogar e enferma, acceder ao padrón pode non ser posible. Se non estás no padrón, non existes para a Administración, e por tanto, non tes dereito a nada. Como expresa a autora, para solicitar a axuda hai que ser pobre, pero non tanto. Este é só un exemplo do que nos podemos atopar neste marabilloso relato, cheo de realidade que ás veces nos golpea na cara para facernos ver que estamos a vivir nun sistema que non garante unha existencia digna. A través de libros como este, fáciles de ler e cunha carga emocional significativa, quen defenda un sistema de protección social diferente, no que a Renda Básica Incondicional proporcione unha rede de seguridade que millóns de persoas neste país perderon, poderemos chegar ao público xeral. A pobreza está invisibilizada, e temos que facer que salga ao debate público. Que a xente do común poida ver cos seus ollos o resultado do fracaso dun Estado do benestar mermado e desigual no que o único que crece é a aporofobia. Segundo indica a autora, esquecemos que a orixe da pobreza é a desigualdade. Nos compadecemos ao ver os síntomas da enfermidade, pero preferimos ignorar o diagnóstico. Sen ningunha dúbida, Sara Mesa soubo identificar e plasmar nun libro a tolemia do labirinto burocrático, relatando con claridade, sinxeleza e sinceridade como as rendas condicionadas teñen demostrado sobradamente a súa ineficacia na loita contra a pobreza. Silencio Administrativo é un pequeno gran libro sobre o horror cotián das rendas condicionadas para pobres.Fonte: http://www.sinpermiso.info/textos/un-pequeno-gran-libro-sobre-el-horror-cotidiano-de-las-rentas-condicionadas-para-pobres |
NOS_24608 | Trátase dun proxecto de investigación está liderado pola Fundación Emalcsa. | Os lodos están a ser unha das alternativas que estuda Endesa para reactivar a central térmica das Pontes, pero tamén poden converterse nunha alternativa para xerar bioplásticos. Iso é o que están a investigar as persoas membros do proxecto Bialac, unha iniciativa que busca producir bioplásticos de custe reducido mediante o uso de materia prima de baixo valor, a partir de lodos de depuradoras urbanas pequenas, como os da Edar (Estación Depuradora de Augas Residuais) de Carral, e tamén do soro da industria láctea, que por exemplo supón 90% dos residuos da elaboración de queixos, dos que a lactosa, con escasa saída de mercado, pode ser valorizada para a creación de novas formas de envasado de alimentos 100% biodegradábeis. Esta iniciativa contribuirá, ademais, a un modelo de economía circular que garanta solucións sostíbeis, en liña cos Obxectivos 2030 da ONU ou as demandas que estes días se escoitan no COP25 de Madrid, sinalan os seus impulsores. O proxecto Bialac, que se estenderá até outono de 2020, está financiado polo programa Conecta Peme 2018, e nel participan, ademais de Emalcsa como líder, as empresas Abakal Ingenieros Consultores, Innolact, Ecoplas, ademais dos grupos de investigación Bioengin Laboratorio de Polímeros, da Universidade da Coruña (UDC). O edificio do CICA (Centro de Investigacións Científicas Avanzadas) do Campus de Elviña da Universidade da Coruña acolleu esta cuarta feira o Seminario sobre Economía Circular e Bioplasticos que promove a Cátedra Emalcsa-UDC, nunha xornada na que se deron a coñecer os avances do Proxecto Bialac, que está chamado a ser unha saída para estes residuos de difícil tratamento. |
NOS_24532 | Rexeita secundar a folga convocada pola confederación de sindicatos médicos para protestar contra a incorporación de profesionais que formados fóra da UE. | Non é o momento para folgas sanitarias", senón o de incrementar con "carácter urxente" os presupostos dedicados á sanidade pública e mais aos cadros de persoal do Servizo Galego de Saúde. É a postura que a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública deu a coñecer nun comunicado, situándose en contra da folga convocada a nivel estatal pola Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) para protestar contra o decreto aprobado pola Administración central para a incorporación ao sistema de profesionais extracomunitarios. A entidade pide aumentar os presupostos, facendo fincapé nos destinados a Atención Primaria, e mais os cadros de persoal "recuperando aos sanitarios que marcharon da Galiza pola precariedade das condicións laborais". Tamén "mellorar a situación dos centros de saúde aumentando a súa actividade presencial e suprimindo as trabas de acceso" e mais por "a pleno rendemento os hospitais, abrindo pola tarde e estabelecendo circuítos para pacientes coa Covid-19 para atender as enormes listas de agarda acumuladas". Rexeita o decreto A asociación aclara que comparte a postura da CESM en relación ao decreto, mais non a vía da folga. "Aínda que compartamos o rexeitamento á incorporación de profesionais sen a debida acreditación dunha formación similar a MIR (Médico Interno Residente) que garanta a seguridade e a calidade da atención, consideramos que a resposta non debera ser unha folga que reduza aínda máis a actividade sanitaria do persoal recortado polas políticas neoliberais do PP". conclúe, sinalando os seus efectos sobre a poboación. |
NOS_50906 | A Plataforma SOS Sanidade Pública convoca unha manifestación en Santiago de Compostela para o próximo domingo 4 de febreiro. O BNG chama a secundala masivamente. | A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, e a portavoz de Sanidade da fronte política, Montse Prado, reuníronse esta segunda-feira con profesionais da sanidade pública e persoas usuarias de diferentes áreas sanitarias do Sergas. No encontro, todas as presentes denunciaron a "saturación, colapso e deterioro" do servizo, que acusaría as políticas de recortes e privatizacións do goberno do Partido Popular. As traballadoras alí presentes criticaron as condicións de precariedade, estrés e falta de medios que teñen que enfrontar no súa labor profesional diario e que, consecuentemente, inflúe negativamente na atención prestada. "As persoas doentes teñen que esperar en corredores ou salas ateigadas, sen intimidade e sen espazo, até doce horas", denuncian. "Pasamos de ser doentes a ser clientes", apuntaba unha das persoas afectadas No caso das persoas usuarias, estas sinalaron o incumprimento dos prazos de atención, as dilatadas listas de espera e as derivacións obrigatorias á sanidade privada, con represalias á propia paciente se reivindica o seu dereito a ser atendida na pública. "Pasamos de ser doentes a ser clientes", apuntaba unha das persoas afectadas. Segundo os datos presentados pola dirixente do Bloque, Feijóo continúa a reforzar a sanidade privada con este sistema continuado de derivacións, que traspasaría unha media de 86 pacientes cada día. "Isto é síntoma de como se fai negocio a costa da saúde", engadiu Pontón. Dar a cara pola sanidade pública Logo da reunión, a política nacionalista agradeceu ás presentes que "dean a cara" en defensa da sanidade pública e animou a saír á rúa no vindeiro domingo 4 de febreiro para participar na manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública. "O sistema sanitario galego está infectado por un virus perigoso que nace no laboratorio privatizador do PP e que está inxectando Nuñéz Feijóo ao sistema sanitario, pondo en risco a vida e a saúde das persoas. E fronte a esta situación a mellor vacina é mobilizarnos o vindeiro domingo nunha grande manifestación en defensa da sanidade pública e dos hospitais comarcais", recalcou. Como mostra deste deterioro, Pontón destacou as alarmantes cifras que está a rexistrar a sanidade pública galega debido á "política de austeridade" que leva practicando o goberno de Alberto Núñez Feijóo. "Desde 2009, Galiza perdeu 3.000 profesionais sanitarios, elimináronse 700 camas nos hospitais e houbo un recorte continuado no investimento, que neste ano recibe 15% menos dos recursos dos que había no ano 2009", explicou. |
NOS_21927 | Por vez primeira na súa historia, o dixital Sermos Galiza supera o millón de páxinas vistas nos dous primeiros meses do ano. O incremento de audiencia do meio, a respeito do mesmo período do ano anterior, situose na contorna do 33%. | 1.042.976 é o número de páxinas vistas nos dous primeiros meses de 2016, o que constitúe o récord absoluto do Sermos. Esta cifra é moi superior á atinxida en 2015, cando entre xaneiro e febreiro este dixital totalizou 816.022 páxinas vistas. O aumento é portanto do 27.8% Canto ao número de usuarios únicos, estes dous primeiros meses do ano marcan tamén unha cifra sen precedentes no Sermos: 127.113, moi por cima dos 95.068 do pasado exercicio, un incremento por volta do 33,7%. En número de usuarios únicos, o incremento foi especialmente notábel a partir da estrea do novo deseño do dixital, on line desde o 3 de febreiro deste ano En número de usuarios únicos, o incremento foi especialmente notábel a partir da estrea do novo deseño do dixital, on line desde o 3 de febreiro deste ano. Co novo Sermos, conectaron con este dixital un total de 79.670 dispositivos distintos (computadoras, portáteis, tablets...), unha cifra muito superior aos 50.927 do mesmo período correspondente a 2015. Durante estes dous meses a noticia con máis leituras no Sermos foi a que levaba por título "Mulleres obrigadas a abortar soas pola falta de matronas na área de xinecoloxía do CHUAC", unha peza asinada por Olalla Rodil e que acumulou un total de 6.726 leituras, alén de ter sido partillada por máis de 3 mil persoas nas redes sociais. A fonte destes dados é google analytics. |
NOS_37813 | O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico vén de sacar a consulta pública o decreto que regula a instalación de plantas fotovoltaicas flotantes no dominio público hidráulico, unha tecnoloxía complementaria ás centrais hidroeléctricas, que se beneficiarán no seu rendemento polo arrefriado da auga e a menor presenza de po, segundo o Ministerio. | Na Galiza, un territorio no que os aproveitamentos hidroeléctricos inzan os seus ríos, pode que non tardemos en ver estas estruturas flotantes de xeración eléctrica. De feito, o Concello das Pontes conta desde hai máis dun ano cun informe que analiza as capacidades de produción cubrindo parcialmente o lago das Pontes. Ese documento recolle que, con só 5% da enerxía que produza un parque solar flotante que cubra 30% da lámina de auga sobre a antiga mina, poderíanse cubrir as demandas enerxéticas de todo o concello. Esa instalación contaría cunha potencia instalada de 575 megawatts (MW), requiriría un investimento de 402 millóns de euros e tería un retorno a 20 anos. O autoconsumo solar aséntase na Galiza Porén, a idea do Ministerio é limitar o número máximo de plantas por encoro a tres, mentres que o grao de cobertura da superficie sería en función do seu estado trófico (canto peor sexa a calidade das súas augas, maior poderá ser a súa cobertura), até un límite de 20%. Quedan vedadas a estas instalacións os encoros oligrotróficos ─con pouca produtividade biolóxica e, polo tanto, boa calidade da auga─ e os lagos ou lagoas de orixe natural. Os das Pontes e Meirama quedaría, pois, fóra desta excepción por tratarse de lagos artificiais, aínda que é o organismo competente, Augas da Galiza, o que terá a última palabra sobre a súa instalación. A que non se pronunciou ao respecto é Endesa, firma que vén de facerse na poxa de renovábeis de Portugal dun dereito de conexión de solar flotante no encoro de Alto do Rabagão e que deixará aberto o camiño á exploración de novas fontes de enerxía que queiran aproveitar a súa capacidade de evacuación das Pontes unha vez se produza o feche da central térmica, cuxa autorización esperan que chegue nesta primeira metade do ano. Escala racional Para Adrián Dios, profesor da Facultade de Económicas da USC, a solar flotante "pode ser interesante como tecnoloxía, pero aínda ten un desenvolvemento bastante pequeno". Como recoñece a Nós Diario, a aposta nesta enerxía "non vai resolver nada en termos estruturais", e máis tendo en conta a realidade do territorio galego, menos produtivo en materia de xeración solar que outras zonas do Estado español. "O autoconsumo é a opción máis eficaz e rendíbel para combater a suba da luz" Con todo, sinala que nas Pontes "podería ser viábel", aínda que capacidade de produción non ten nada que ver coa da térmica, apunta. "Todo o que sexa atopar usos produtivos e limpos, a priori non o vexo mal. Outra cousa é que sexamos capaces de racionalizalo, que se faga a unha escala racional e que non teña impactos negativos no medio, no territorio e nos seus habitantes", incidiu. Afección ao medio Nesta liña, desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Belén Rodríguez sinala a necesidade de avaliar os efectos que as infraestruturas poidan ter nas masas de auga. "Todo depende da envergadura e de onde se coloquen. Non é o mesmo un humidal que unha balsa mineira de augas ácidas", matiza. Rodríguez tamén apela a revisar o modelo, pois lembra que na Galiza "somos excedentarios" de enerxía eléctrica e que os ecosistemas fluviais "xa os temos sobreexplotados con centrais hidroeléctricas". As "enerxías verdes" que veñen: gas e nuclear "Calquera proposta neste sentido é arriscada porque o problema de base é que se está a promover un modelo hiperprodutivo que non contempla as medidas necesarias para a preservación da biodiversidade", destacan por parte da directiva de Adega. O Ministerio, pola súa parte, argumenta que este tipo de plantas serán beneficiosas para o medio ambiente pola redución da evaporación das masas de auga e unha menor presenza de floracións de algas en auga doce grazas á sombra que proporcionarán as placas sobre a superficie líquida. Tamén evitarán a modificación dos terreos que se produce nas instalacións en terra firme, din. |
NOS_34955 | [ACTUALIZADO ÁS 13.35]. Concluíron as marchas de Queremos Galego nun 17 de maio claramente marcado polas vésperas eleitorais. Dos líderes das forzas políticas galegas só estiveron presentes Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, en Vigo, e Martiño Noriega, coportavoz de Anova, en Santiago. Feijóo foi declarado por aclamación inimigo do galego. | "Nas aulas da Galiza, queremos galego" e "por ti, por min, o galego non ten fin" son algúns dos cánticos que atroaron as rúas de Compostela conforme avanzban as miles de persoas que secundaron a convocatoria de Queremos Galego. A de Santiago foi a marcha máis numerosa das convocadas por esta iniciativa social en favor da lingua galega, unha marcha festiva e á vez reivindicativa e cun denominador común claro: a denuncia das políticas galegófobas do partido no poder. En Vigo, unha votación simbólica realizada ao termo da marcha resume á perfección o espírito das convocatorias de Queremos Galego: as miles de persoas alí congregadas -2.500 segundo a organización- declararon por aclamación a Feijóo inimigo da lingua galega. Vence, en Vigo O portavoz nacional do BNG asistiu á manifestación de Vigo na compaña da práctica totalidade dos membros da candidatura nacionalista. Vence convocou os meios antes da marcha e interpelou directamente a Feijóo, a quen pediu que usase exclusivamente o galego na súa comunicación coa sociedade. "Nunca antes ningún presidente da Xunta usou tanto o español para se dirixir ás galegas e aos galegos", denunciou o líder nacionalista. En Santiago estivo presente na marcha Martiño Noriega, colíder de Anova. |
NOS_35106 | "Non estamos dispostos a asumir as competencias administrativas de Tráfico se isto supón prescindir do labor que realiza a Garda Civil" dixo o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado. | O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, vinculou esta segunda feira a reivindicación das competencias de Tráfico para Galiza con que se garanta a presenza da Garda Civil, algo que está segurado, dico, "mentres goberne o Partido Popular". Miguel Tellado reuniuse esta segunda feira con 21 representantes da Garda Civil pertencentes a 10 colectivos de axentes, xuntanza na que tamén participaron Paula Prado, voceira de Interior do PPdeG no Parlamento da Galiza, e Ana Vázquez, portavoz de Interior do PP no Congreso dos Deputados. Tellado afirmou que a reivindicación das competencias aen materia de Tráfico e Seguridade Viaria é unha vella reclamación de todos os partidos da Cámara galega. "Unha competencia para a que nos faculta a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía", asegurou aínda que aclarando que "agora non é o momento". "Mais esta demanda administrativa non ten nada que ver con expulsar a Garda Civil das nosas estradas" asegurou o secretario xeral, culpando de desinformar sobre esta cuestión os outros partidos "con intereses electorais en Madrid". "Non estamos dispostos a asumir as competencias administrativas de Tráfico se isto supón prescindir do labor que realiza a Garda Civil" insistiu o popular. Por último, incidiu no enorme aprecio que o PPdeG sente pola tarefa realizada pola Garda: "É unha institución que vertebra España e realiza un gran traballo, especialmente no medio rural, onde leva a cabo un labor extraordinario". Pola súa banda, a voceira de Interior do PPdeG no Parlamento de Galiza admitiu que o seu modelo "non é nin o modelo do BNG nin o modelo de Nafarroa". |
NOS_32821 | A Mesa aponta que a mobilización social é a que consegue que o Relator Especial para as minorías do Alto comisionado da ONU para os Dereitos Humanos, Fernand de Varennes, "mencione por primeira vez Galiza, onde se reuniu con representantes da entidade e da Xunta". | O informe definitivo sobre a situación das minorías no Estado español elaborado polo relator especial da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Fernand de Varennes, recolle -por primeira vez- expresamente a vulneración dos dereitos lingüísticos en Galiza. Así o manifesta A Mesa pola Normalización Lingüística, que aponta a que neste informe se denuncia "a incorrecta aplicación da lexislación e das iniciativas a favor do galego", e que para o seu traballo Fernand de Varennes baseouse nos informes desta entidade como proba de que "as e os galego falantes non poden empregar a súa propia lingua coas autoridades públicas en Galiza, malia o aparente dereito a facelo". O informe insta o Estado español a garantir os seus compromisos en relación aos dereitos lingüísiticos, nomeadamente na xustiza e no ensino, e ás comunidades autónomas, no que for da súa competencia. O relator da ONU evidencia, explia A mesa, a ausencia de avaliación oficial sobre as competencias nas linguas minorizadas do Estado, recolle as limitacións para estudar na lingua propia e insta a "revisar calquera medida que poida reducir a proporción de docencia en lingua minorizada. Recomenda, tamén, ás autoridades españolas "que se aseguren de disporen de recursos apropiados, profesores, persoal de apoio e infraestruturas para que as crianzas das comunidades autónomas con poboacións significativas pertencentes a minorías lingüísticas teñan a posibilidade de estudar nas súas propias linguas". Para A Mesa esté é "un primeiro aviso da ONU á Xunta no relativo ao Decreto de plurilingüismo, que se suma ás demandas de derrogación que fixo recentemente o Consello de Europa". |
PRAZA_8244 | O padrón de persoas procedentes de Galicia incrementou nun 20,9% dende 2009 e en máis dun 4% no último ano | As causas son diversas e as cifras, tamén. Pero a conclusión adoita ser sempre a mesma: un importante continxente de cidadanía galega opta por buscar a vida no exterior, máis aínda dende o comezo da actual crise económica. O Instituto Nacional de Estadística (INE) vén de facer públicos os datos actualizados do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE), un indicador que reflicte as persoas "inscritas" no padrón de habitantes dos diversos países, "sen poder ofrecer as causas das variacións a respecto do ano anterior". Así as cousas, este dato non quere dicir que todas as persoas que se suman ao PERE emigrasen no ano no que se inscriben, pero si ofrece unha foto fixa da cidadanía que reside con estabilidade nun determinado país. Tendo en conta estas cautelas estatísticas é posible afirmar que entre o 1 de xaneiro de 2009 e o 1 de xaneiro de 2013 pasaron a estar inscritas no estranxeiro 80.213 cidadáns e cidadáns de orixe galega, xa sexa porque emigraron ou porque adquiriron a nacionalidade española tendo como referencia unha das catro provincias da comunidade autónoma. Esta cifra supón un incremento do 20,9% a respecto dos 383.599 galegos e galegas que compuñan hai cinco anos un PERE que agora está formado por 463.812 persoas, un 4,03% máis que a 1 de xaneiro de 2012. A maioría da cidadanía galega empadroada no exterior está en América Por continentes, o groso dos galegos e galegas residentes no exterior seguen a concentrarse en América, cun padrón que chega ás 360.796 persoas das que 158.530 residen na Arxentina. A continuación está a cidadanía galega instalada en Europa, 99.532 persoas que se concentran, sobre todo, en Suíza, Alemaña ou Francia. O resto de continentes teñen tamén galegos e galegas inscritos, aínda que nunha proporción moi inferior: en Oceanía figuran 1.632, case todos en Australia, en Asia 927 e en África, 925 persoas. Estes datos son unha vertente máis do complexo mapa formado pola emigración e as súas causas. Hai escasos días chegaba ao Parlamento o debate en torno á mocidade que procura o futuro lonxe do país. Como relatou Praza Pública, un total de 124.845 persoas de entre 18 e 34 anos deixaron Galicia entre 2002 e 2011, 22.826 con destino ao estranxeiro e 102.019 cara a outra autonomíado Estado. De todas esas emigracións máis de 65.000 producíronse dende o ano 2007, considerado como o do inicio da actual crise económica. |
NOS_42286 | Case 5,5 millóns de persoas falecidas con coronavirus. | A pandemia de coronavirus deixou até o momento máis de 300 millóns de casos no mundo, con perto de 5,5 millóns de persoas falecidas diagnosticadas coa Covid-19, segundo os datos publicados esta sexta feira pola Universidade Johns Hopkins a través da súa páxina web. O centro indicou que se teñen confirmado oficialmente 300.309.930 contaxios desde a declaración da pandemia en marzo de 2020, con 5.472.675 vítimas mortais. Así, detallou que durante o último día se detectaron máis de 2,4 millóns de positivos a nivel mundial, con perto de 7.000 decesos, no medio dunha repunta das cifras impulsada pola propagación da variante Ómicron. Neste senso, o mundo superou o 3 de xaneiro por vez primeira a barreira dos dous millóns de casos en 24 horas, que rexistrou a diario desde entón, despois de pechar 2021 por primeira vez por encima do millón de casos diarios. A Universidade Johns Hopkins apuntou na súa páxina web que durante os últimos 28 días notificáronse 31.602.933 casos e 182.398 mortos, nunha mostra da tendencia á alza rexistrada o último mes por mor da variante ómicron. Estados Unidos figura como o país máis afectado en cifras totais a nivel mundial, con perto de 58,5 millóns de casos e case 834.000 mortos. Por detrás figura India, con arredor de 35,2 millóns de positivos e máis de 483.000 mortos. Pola contra, durante os últimos 28 días os países que confirmaron máis contaxios son Estados Unidos, Reino Unido, Francia, Italia, España e Alemaña. Estados Unidos sumou máis de 8,8 millóns de positivos, mentres que Reino Unido roza os 3,4 millóns de positivos. Pola súa parte, as autoridades francesas confirmaron máis de tres millóns de casos en 28 días, mentres que Italia, España e Alemaña son os outros países que informaron de máis dun millón de casos neste período, o que sitúa a Europa como principal epicentro da pandemia nestes momentos. O organismo anunciou o 11 de marzo de 2020 a súa decisión de declarar a pandemia por mor do novo coronavirus SARS-CoV-2, causante da Covid-19 e detectado por primeira vez na cidade chinesa de Wuhan. |
Subsets and Splits
No saved queries yet
Save your SQL queries to embed, download, and access them later. Queries will appear here once saved.