ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_20195 | A Galiza aparece novamente á cola do Estado nun informe sobre servizos públicos. Desta volta, o de Amnistía Internacional sobre a Atención Primaria e no que a Galiza é o único territorio que 'desinviste' neste servizo: orza 1,9% menos que en 2021. Para o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o problema na Primaria non é de falla de investimento senón de "dificultade de atopar persoal". | O informe publicado esta cuarta feira por Amnistía Internacional deixa pouco oco para as dúbidas sobre a situación da Atención Primaria na Galiza e no Estado. Se ben ningunha comunidade cumpre co 25% de investimento neste servizo que pide a Organización Mundial da Saúde (OMS), a Galiza é o único territorio do Estado onde hai un 'desinvestimento' en Primaria: 1,9% menos de orzamento. A moita distancia de todas as demais comunidades. Nos orzamentos de 2022, o crecemento medio no Estado do peso económico que supón o investimento en Atención Primaria respecto do total destinado a sanidade representa 14,7%. Datos negativos Este non é o único dato negativo no mencionado informe que pon en cuestión a xestión sanitaria da Xunta nestes anos. A Galiza é das que menos inviste en sanidade, só 0,17% o pasado ano. E tamén figura entre as que 'desinviste' en orzamentos para persoal sanitario (-0,1%), sempre segundo o que apunta Amnistía Internacional. A Primaria pode perder 40% dos médicos en cinco anos Porén, para o presidente da Xunta, a situación na Atención Primaria na Galiza non deriva dos recortes ou falta de orzamentos. "Non é un problema de investimento", dixo onte Alfonso Rueda na súa comparecencia após o Consello da Xunta, senón de "dificultade para atopar persoal", situación da que responsabilizou o Goberno español. Rueda tamén tivo que responder onte ás preguntas dos xornalistas sobre outro informe, esta vez elaborado pola Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, e no que a Galiza está á cola do Estado en investimento no servizo de dependencia. O conxunto dos Gobernos autonómicos destinaron en 2021 de media ao financiamento deste servizo 79,1% do seu custo total, porén a Xunta só dedicou 67%. Para Rueda, a responsabilidade aquí tamén cae sobre o Goberno estatal. El é o responsábel da situación da dependencia na Galiza xa que "non achega" a parte de financiamento que lle corresponde. "Adebédanos máis de 2.100 millóns de euros nestes anos", dixo o presidente da Xunta, que insistiu en que o Estado non contribúe a financiar o 50% da dependencia na Galiza que "por lei lle corresponde". O terceiro informe publicado estes días e que cuestiona a política da Xunta en servizos sanitarios provén da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP). O estudo conclúe que a Galiza figura entre as comunidades cun servizo sanitario "deficiente". Euskadi, Nafarroa e Asturias son os territorios que para a Federación teñen mellores servizos. Saúde mental en menores O BNG reclamou onte no Parlamento ao Goberno galego o reforzo de persoal tanto no ámbito educativo como no sanitario para afrontar o aumento de problemas de saúde de mental en menores. Fíxoo con motivo dunha proposición non de lei sobre esta cuestión presentada polo BNG no pleno e defendida polo deputado Manuel Antonio Lourenzo. Finalmente, non foi aprobada ao contar cos 'non' do PP. O PSdeG abstívose. |
NOS_37537 | O nacemento de Irlanda do Norte hai cen anos foi conmemorado onte de maneira discreta no Reino Unido, un feito histórico que chega nun momento crítico para os probritánicos. "Nada que celebrar", di o nacionalismo irlandés; ou, en todo caso, celebrar que semella máis perto o referendo de reunificación que arelan para a illa. | Dous de cada tres habitantes da República de Irlanda estarían a favor da reunificación da illa nun único Estado. Así o recolle unha enquisa publicada polo Irish Independent (conservador) con motivo do centenario, onte, do nacemento de Irlanda do Norte. É dicir, da partición do país en dous. "Miña nai nunca perdoou o novo Goberno", di nunha entrevista en The Irish Times (social liberal) Mairead Liddy, unha muller nacida en 1921, ao respecto de como a división ─tras a Guerra de Independencia irlandesa do Reino Unido─ causou unha fonda ferida na súa familia. Porén, tras un século que viviu poucos anos sen derramamento de sangue, a posibilidade da reunificación é máis factíbel que nunca. Cando menos, a convocatoria dun referendo para que o pobo decida. O Acordo de Venres Santo de 1998, que puxo fin a décadas de conflito armado en Irlanda do Norte, estabelece que o Goberno do Reino Unido pode convocar unha consulta se considera que hai unha maioría da poboación desta rexión baixo soberanía británica que desexa unirse á República de Irlanda. Por agora, Londres cre que non se dan estas circunstancias, mais nas enquisas o 'Si' á reunificación non para de medrar neste territorio durante anos predominantemente protestante. Especialmente desde a culminación do Brexit. A integración comunitaria esfumou a fronteira entre as dúas entidades da illa. O Protocolo para Irlanda do Norte, negociado entre Bruxelas e Londres, quixo evitar a súa volta, mais a solución levantou outra barreira ─comercial─ no Mar de Irlanda. Unionismo debilitado Os unionistas séntense foráneos no seu país e traizoados polo Goberno británico. Ademais, despois de décadas de ser a comunidade maioritaria, a presión demográfica e o avance político do nacionalismo irlandés estana a arrecunchar nos seis condados dos 32 da illa que desde as 00.01 horas do 3 de maio de 1921 conforman Irlanda do Norte. A carraxe foise acumulando nos últimos meses e esparexeuse a comezos de abril cos disturbios máis importantes desde 1998. Mozos moi novos, principalmente de barrios protestantes, enfrontáronse coa Policía durante varias noites. O conflito e a minguante relevancia do unionismo ─na casa e en Londres─ cobrouse unha vítima política. Arlene Foster deixará de ser primeira ministra de Irlanda do Norte a finais de xuño, e líder do Partido Unionista Democrático (DUP) o 28 de maio, tras unha carta interna de falla de confianza dentro da formación. Só 24 horas despois de anunciar a súa dimisión na pasada cuarta feira, o ministro de Agricultura norteirlandés presentaba a súa candidatura. E onte mesmo facíao Jeffrey Donaldson, portavoz do DUP no Parlamento británico. Será a primeira vez nos 50 anos de historia da formación que se produza unha pelexa polo liderado, segundo apuntou RTÉ, a radiotelevisión pública irlandesa. As dúas alas do DUP Poots, impulsor da moción a Foster, representa a ala dura do partido e parte como favorito. Donaldson apuntou onte que "o noso vindeiro século será construído coa política da persuasión". "Isto requirirá tamén estruturas de partido capaces de comunicar claramente e consistentemente para atraer votantes [...]; e capaces de vencer aqueles que buscan abolir Irlanda do Norte". Poots, no vídeo de anuncio da súa candidatura, proclamouse un "norteirlandés orgulloso". É fillo dun dos fundadores do DUP, oponse a descriminalización do aborto e declárase creacionista ─sostén que a Terra foi creada hai uns 4.000 anos─. Sendo ministro de Sanidade, mantivo o veto a que as persoas homosexuais puidesen doar sangue e é contrario a que poidan adoptar crianzas. Ademais, é un firme opositor ao Protocolo de Irlanda do Norte, que estabelece que Irlanda do Norte siga a facer parte do mercado comunitario no que ao comercio de bens se refire (o que require controis "fronteirizos"). "Historia complexa" Neste contexto, dadas as sensibilidades políticas e a situación de pandemia, o Reino Unido celebrou onte o centenario do nacemento de Irlanda do Norte discretamente. O primeiro ministro, Boris Johnson, nun comunicado, falou de unidade e de "futuro brillante", e confirmou que os actos se estenderán durante todo o ano (os dous principais partidos republicanos, o Sinn Féin e o Partido Socialdemócrata e Laborista, xa se autoexcluíron). Johnson tamén falou de "historia complexa", ao igual que a xefa do Estado, a raíña Isabel II. Esta, nunha declaración institucional recollida pola BBC, salientou a "rica mistura de identidades, de antecedentes e de aspiracións" de Irlanda do Norte. Entre esas aspiracións, para unha crecente porcentaxe da poboación, está a reunificación. As enquisas de The Times, de 24 de xaneiro, e da BBC, do mes pasado, aínda sitúan arredor de 47-49% o apoio a manter o statu quo por 42-43% que queren a unidade irlandesa. Tamén a publicada nas últimas horas polo Independent mostra maioría probritánica en Irlanda do Norte. Mais tanto as dos dous medios ingleses como a do irlandés reflicten que o apoio a que se convoque un referendo é maioritario. Iso si, a do Independent sinala que a maioría da cidadanía, a ambos os dous lados da fronteira, non quere pagar máis impostos para facer realidade unha Irlanda unida. Entidade "nacida na discriminación" "Hai cen anos o curso da historia irlandesa cambiou para sempre pola partición. Dividiu a nosa illa, o seu pobo e a súa economía, e o seu impacto aínda se sente hoxe no Norte e no Sur", escribiu Michelle O'Neill, viceprimeira ministra de Irlanda do Norte e vicepresidenta do Sinn Féin, nun artigo publicado onte polo Irish News (xornal de Belfast, nacionalista de centroesquerda). Titulado O unionismo na encrucillada, nel O'Neill defende que o novo líder que elixa o DUP "ten que recoñecer que o panorama político en toda a illa mudou" e que a "maioría da sociedade aposta por un cambio social e político que reflicta unha sociedade progresista baseada na igualdade". A partición ─apunta─ creou no Norte unha entidade "fundada na discriminación" e "mantida pola represión". "Eses días xa pasaron. Estamos nunha era diferente". |
NOS_57866 | O Colexio da Avogacía de Ourense e a Comisión de Asesoramento Xurídico Penitenciario deste organismo amosan a súa preocupación polo aumento de mortes en prisión. Piden a investigación «dilixente» de todas as denuncias por tratos inhumanos ou degradantes máis todas e cada unha das mortes que se producen no contorno penitenciario. | «Non nos podemos permitir ningunha morte máis dentro da prisión. A prisión non pode ser unha condena a morte». Con esta sentenza arranca o comunicado emitido polo Colexio da Avogacía de Ourense e a Comisión de Asesoramento Xurídico Penitenciario para reclamar medidas que apoien o tratamento espécifico de cada persoa presa e garantan a prevención real da tortura no medio carcerario. Neste sentido, avogan pola posta en marcha das solucións acordadas nos encontros de Dereito Penitenciario dos colexios de avogacía do Estado celebrados en Barcelona baixo o título «XXI Xornadas de Servizos de Orientación e Asesoramento Xurídico Penitenciario». Mortes en prisión No que vai de ano, apunta o Colexio da Avogacía de Ourense, faleceron 159 persoas na cadea, 138 en centros dependentes de institucións penitenciarias e 21 en cárceres cataláns. A estas mortes hai que sumarlles as 210 rexistradas en 2018, as 147 de 2017, e a preocupación manifesta da Valeduría do Pobo no su último informe ante «ante o forte incremento das mortes asociadada ao consumo de drogas -61- e tamén o lixeiro incremento do número de suicidios -33-. Cómpre investigar con dilixencia todas as denuncias por tratos inhumanos ou degradantes, coa intervención inmediata do médico forense. Por iso, sinalan a urxencia de «investigar con dilixencia todas as denuncias por tratos inhumanos ou degradantes, coa intervención inmediata do médico forense, así como crear un rexistro trasnparente destas denunias e investigar todas e cada unha das mortes producidas en prisión». Como medida complementaria estabelecen a necesidade de «aumentar o número de visitas da inspección e do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura ás prisións», ademais de «implementar sistemas de videovixilancia que sexan realmente efectivos». Profesionais especializadas As avogadas ourensás reclaman a formación continua e especializada do corpo de funcionarios e funcionarias en «prácticas restaurativas» por parte de profesionais da mediación, ademais da «especialización e sensibilización de todos os operadores xurídicos que teñan contacto co ámbito carcerario». No seu escrito destacan a importancia de contar con programas de tratamento especificos para cada persoa presa e piden «os recursos económicos necesarios para incorporar profesionais ao cadro de persoal sanitario penitenciario», nomeadamente, especialistas da psicoloxía e da psiquiatría que «estean presentes en todas as prisións as 24 horas do día todos os días do ano». A sanidade penitenciaria, unha prioridade O Colexio da Avogacía de Ourense considera imprescindíbel abordar «a transferencia de competencias sanitarias en materia penitenciaria á rede pública de saúde» co fin de garantir a atención adecuada da poboación reclusa. Sería importante aplicar medidas alternativas ás penas de privación de liberdade, especialmente ás de longa duración. Neste sentido, manifesta o seu «desacordo coa proposta formulada pola Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias para contratar profesionais sanitarias sen o MIR», unha suxestión propia dun sistema de atención sanitaria obsoleto que « que representa un risco para as persoas presas e perpetúa unhas pésimas condicións laborais e de asistencia sanitaria penitenciaria». Por último, pon o foco na importancia de «aplicar medidas alternativas ás penas de privación de liberdade, especialmente ás de longa duración». |
NOS_17545 | Un estudo de directores e xerentes de Servizos Sociais suspende o sistema de dependencia da Xunta da Galiza. | O sistema de dependencia na Galiza recibe o suspenso da Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais na súa análise sobre os modelos de cobertura e xestión da dependencia nas diferentes comunidades. Mentres a media de todos os territorios recibe un aprobado (5,1), a Galiza fica en 4,4, a súa peor nota desde que hai rexistros (2008) agás nos anos 2014 e 2015. Este suspenso sobre o papel é consecuencia dunhas circunstancias e situacións que teñen impacto no día a día das miles de persoas dependentes que hai no país. O mencionado informe, Ditame do Observatorio Estatal de Dependencia 2022, recolle que en 2021 faleceron 470 persoas na Galiza estando na lista de espera de dependencia, sen ser atendidas. Delas, 395 xa viran recoñecido o seu dereito a recibir unha prestación. No entanto, aínda non viran efectuados os primeiros pagos das axudas. As outras 75 estaban a agardar pola resolución de grado. O sistema galego de benestar, vítima dun investimento en mínimos que o sitúa á cola do Estado Estes falecementos, de feito, están na explicación da redución das listas de espera na Galiza en 2021, que baixaron en 18%, por riba da media estatal. "Das 905 persoas que abandonaron a lista de espera de resolución de prestación, 43,65% fixérono como consecuencia do falecemento da persoa e non pola xestión da comunidade autónoma", recolle o informe. Malos rexistros Outro dato para a preocupación é que na Galiza hai 9.298 persoas cuxas solicitudes para a dependencia foron realizadas mais non rexistradas, o que ten como consecuencia que non están nas listas, fican fóra das estatísticas. Son unha de cada catro persoas que están nesta situación no conxunto do Estado español, onde o total é de 34.189. En 2021 o número de novos dependentes atendidos na Galiza aumentou en 2.517 persoas, o que supón un incremento de 4%, porcentaxe que é menos da metade da suba que nese mesmo ano houbo no Estado español, que foi de 8,7%. Nesta mesma liña, eses 12 meses houbo un aumento nas valoracións de 504 persoas, o que representa un máis que discreto 0,6% de incremento a respecto do ano anterior, cando no conxunto do Estado esa suba de 2020 a 2021 foi superior a 4%, case oito veces máis. A Galiza, á cola do Estado en prazas residenciais A Galiza é tamén o territorio que menos prazas residencias para dependencia recupera desde a pandemia, -1.154. Ao tempo, o SAD (servizo de axuda e apoio domiciliario) atende máis de 24.600 dependentes. A media de gasto público por persoa dependente na Galiza situouse en 5.824,3 euros, polo que continúa por baixo da media no Estado, que é de 6.026 euros unha diferenza de -201,7 euros dependente/ano, e un diferencial de -3,3%. De igual forma, o gasto público por poboación potencialmente dependente é de 896 euros fronte aos 1.122 euros no Estado. A Galiza é o quinto territorio con peor rexistro. Taxa de cobertura A resultas disto, a taxa de cobertura de dependencia sitúase na Galiza en 24,10 PIAS —programas individualizados de atención— por cada 1.000 habitantes, 7% inferior á media estatal. |
NOS_43677 | O novo regulamento da concellaría de Mobilidade e Festas de Compostela, relativo á realización de actividades artísticas na vía pública concitou nas últimas semanas diversas manifestacións en contra, tanto desde os grupos da oposición como desde os colectivos de artistas e artesáns de rúa. | O novo regulamento da concellaría de Mobilidade e Festas de Compostela, relativo á realización de actividades artísticas na vía pública concitou nas últimas semanas diversas manifestacións en contra, tanto desde os grupos da oposición como desde os colectivos de artistas e artesáns de rúa. Estes últimos reuníanse o pasado 8 de abril no Concello e agardan agora a que o documento que se presente no pleno da próxima semana recolla unha serie de melloras, acordadas co responsábel de Mobilidade, Gonzalo Muíños, mais polo de agora prefiren "non adiantar acontecementos". Noutra liña mais sobre a mesma cuestión, Compostela Aberta anunciaba esta quinta feira, 15 de abril, a presentación no próximo pleno dunha moción para pedir a retirada da nova normativa que regula estas actividades nos espazos públicos. A concelleira Branca Novoneyra urxiu o Goberno municipal a "rectificar, retirando o decreto, que foi aprobado sen diálogo cos artistas e artesáns", puntualizou. Novoneyra lembrou a existencia dun acordo, do pasado outubro, polo que se elaboraría unha normativa consensuada co colectivo de artesáns e artistas de rúa. "O Goberno de Bugallo volve exercer a soberbia que o caracteriza e ampárase no contexto da pandemia para actuar sen a mínima transparencia", afirmou a concelleira. Tamén lembrou que no lugar de planificar as actividades na rúa de cara ao Xacobeo, o concelleiro Gonzalo Muíños, "desatendeu o problema" e o 22 de setembro presentou un decreto polo cal no primeiro trimestre deste ano non se outorgaría ningún permiso para a realización deste tipo de actividades. Novoneyra lembrou que, hai máis dun ano, se aprobou unha moción dos catro grupos locais "para a protección das actividades de rúa e para a planificación estratéxica do Ano Santo". Mentres, o colectivo Artistas de Santiago denunciaba, o pasado 9 de abril a raíz da publicación da normativa provisional, que detectaban "flagrantes irregularidades como, negar as condicións abusivas das licenzas ou o desterro a lugares afastados". O colectivo afirma que coa publicación das últimas listaxes se "reiteran os incumprimentos nos procedementos dos concursos de adxudicación de prazas e quedan patentas as represalias a varios compañeiros por mor das protestas públicas. |
PRAZA_4661 | A Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello reanuda a súa actividade, ante a degradación que segue sufrindo o barrio, declarado BIC hai tres anos. Falamos con Xosé Allegue (COAG), que pide unha "planificación urbanística" continuada e que o Concello centre os seus esforzos na recuperación do centro e non en novas construcións na periferia da cidade. | O pasado 16 de xaneiro eran desaloxados catro inmobles do barrio de Ferrol Vello por perigo de derrubo da fachada do número 12 da rúa Carmen Curuxeiras. Os focos dos medios fixáronse de novo na realidade dun barrio popular, de orixe medieval e trazado mariñeiro, declarado hai tres anos Ben de Interese Cultural (BIC), pero no que non se detén a degradación iniciada hai décadas. Aínda que perdeu as arquitecturas medievais primitivas, o barrio conserva todo o seu tecido viario orixinal e unha gran parte do seu casarío identifícase cos elementos significativos das vilas mariñeiras. Ferrol Vello é, en esencia, un barrio mariñeiro, unha das escasas portas da cidade cara ao mar, no peirao de Curuxeiras; unha alma mariñeira visíbel nas vivas cores das fachadas escachadas, e nas gamelas que peteiran contra o dique de atraque. Porén, o tempo pasa na súa contra, as casas seguen caendo sen que dende o Concello se inicien accións decididas que freen esta decadencia, e sen que se albisque unha planificación, un plan de futuro para Ferrol Vello. Despois dun "ano crítico no que o estado do barrio empeorou de xeito acelerado", a Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello vén de anunciar que reanuda a súa actividade, convocando unha asemblea para o vindeiro 8 de febreiro na que informará os veciños dos mecanismos dispoñibles. A comisión critica a "desidia" dos propietarios e dos poderes públicos, pois "o Concello dispón de ferramentas máis que suficientes para facer cumprir os seus deberes aos propietarios". Ente esas posibles accións que lle reclaman ao Goberno municipal está a execución da ordenanza de Inspección Técnica de Edificios, o rexistro de predios, a ordenanza de rehabilitación e conservación aprobada hai un ano e, finalmente, a expropiación ou venda forzosa de inmobles, tamén contemplada na lexislación. Os propios veciños, en varias ocasións, pedíronlle ao Concello que incluíse un total de 38 inmobles en ruínas no rexistro de predios, pero a actuación da administración local limitouse nestes tres últimos anos a apuntalar algunhas fachadas e a remitir algúns requerimentos a propietarios para que realizasen as obras de rehabilitación pertinentes, o que non sempre cumpriron. A Comisión afirma que "esta falta de esixencia supón un premio para aqueles propietarios que levan décadas deixando caer as edificacións sen asumir ningunha responsabilidade". Tamén demandaron investimentos no barrio, un esforzo económico para buscar a súa recuperación. Ademais das críticas ao Concello, os veciños culpan tamén da situación á "inacción da Xunta", que "non actuou en consecuencia e deixou pasar o tempo sen intervir en ningún sentido". Tres anos de declaración BIC A declaración BIC foi un logro acadado despois de anos de reivindicación. A resolución inicial da Consellaría de Cultura, en 2009, sinalaba que "urxe manter e conservar este espazo no mellor estado, porque só a súa existencia, a súa localización no extremo occidental da poboación, o seu rueiro espontáneo e irregular, a súa discreta amplitude e a variada tipoloxía das súas vivendas serven de perfecto contrapunto para valorar tamén a novidade, o racionalismo e o mellor nivel urbano do veciño barrio da Madalena". Dende algúns sectores mesmo se chegou a culpar nos últimos tempos á propia declaración BIC de "bloquear" a posta en marcha de accións de reforma no barrio. Porén, a propia Comisión veciñal sinala que "culpar o BIC da inacción dos propietarios e da propia administración é unha mala excusa". O mesmo pensa o arquitecto Xosé Allegue (COAG), cunha ampla experiencia de asesoramento e investigación sobre o proceso de Ferrol Vello: "Hai moita demagoxia e opinións interesadas, porque que se diga que a declaración BIC prexudica a declaración de Ferrol Vello é unha falacia. Porque a declaración BIC o único que fai é obrigar a que se recupere dun determinado modo, é dicir, respectando a tipoloxía construtiva e outros elementos". "Fai falla un proxecto de cidade" "Agora o motor da cidade desapareceu, desapareceu a súa identidade, e cómpre desenvolver un proxecto alternativo. Para quen rehabilitas casas se non hai ninguén que queira ir vivir ou traballar alí?" O problema de Ferrol Vello é complexo, pero Xosé Allegue agrupa todas as súas vertentes en dúas cuestións. A primeira, económica: "esta é unha cidade cunhas altísimas taxas de desemprego, cun baixo nivel de ocupación, que perde habitantes, na que a xente nova marcha, cunha poboación envellecida... Fai falla un proxecto de cidade, un proxecto de vocación económica, como o houbo en tempos, dende a cidade ilustrada até a cidade naval". E conclúe: "Agora o motor da cidade desapareceu, desapareceu a súa identidade, e cómpre desenvolver un proxecto alternativo. Para quen rehabilitas casas se non hai ninguén que queira ir vivir ou traballar alí?". Como vai recuperarse o centro se se segue favorecendo o crecemento da cidade periférica, como pode ser o desenvolvemento do Boial? O segundo, de planificación urbanística: "a segunda cuestión está relacionada coa actividade urbanística na periferia das cidades e co financiamento dos concellos, que obteñen gran parte dos seus ingresos das taxas urbanísticas. Como vai recuperarse o centro se se segue favorecendo o crecemento da cidade periférica, como pode ser o desenvolvemento do Boial? Por que se está desenvolvendo Boial nestes momentos? Porque hai un construtor compostelán que ten liquidez, e mércalle a Metrovacesa todos eses terreos cando Metrovacesa cae. E no Concello, encantados: constrúese unha morea de vivendas e faise un investimento público en crecemento disperso e difuso da cidade, en vez de concentrar o investimento na cidade central". E conclúe: "Se xa hai pouca xente que queira vivir en Ferrol e para colmo ti estás facendo vivendas na periferia, pois o centro degrádase e abandónase. E así levamos trinta anos". "Hai que falar de urbanismo, de planeamento urbano, social, económico, ten que haber unha estratexia. O que pasa é que esta cidade leva moitos anos moi mal gobernada" Para Allegue "hai que falar, máis que se rehabilitación, de rexeneracion urbana integral. Hai que falar de urbanismo, de planeamento urbano, social, económico, ten que haber unha estratexia. O que pasa é que esta cidade leva moitos anos moi mal gobernada. Cando foi concelleiro Miguel Reimúndez houbo un intento de facer algo, pero a cousa non callou". O arquitecto sinala que "o problema dos procesos de recuperación urbanos é que son procesos lentos, que levan catro, cinco ou seis lexislaturas. Se ti queres facer un patrimonio de vivenda pública en aluguer, que para min é unha cuestión clave, tes que facelo no centro das cidades, e isto é algo que xa en Catalunya, Euskadi ou Andalucía hai anos que se vén facendo, en vez de facer promocións de vivenda pública nos arredores das cidades". "Un proxecto de varias lexislaturas" Allegue conclúe que "hai que ter un proxecto alternativo e vontade, hai que facer transversalidade, o que non é habitual na política, transversalidade entre áreas de goberno e tamén entres administracións". En canto á economía, "hai que apostar por novos sectores, ligados ás novas tecnoloxías, ligados por exemplo ao que ofrece a universidade. A Escola de Deseño Industrial de Ferrol é do mellorciño que hai en España". E en canto á planificación urbanística, "hai que facer contas". "O Concello, cos cartos que leva gastados na última reforma da Praza de España, mercaba medio Ferrol Vello. Cantos son? Dous, tres, catro millóns de euros? Con iso mercas sete ou oito edificios de Ferrol Vello, rehabilítaos e fas vivenda social alí. E hai que empezar por aí, cunha estratexia de recuperar primeiro unha rúa, despois outra, despois outra, e se cadra en dúas ou tres lexislaturas tes o barrio en condicións", propón. "Se o que triunfa son propostas coma as do propietario da fábrica de lápices, que tira con todo para facer unha iniciativa de vivenda nova xusto no borde de Ferrol Vello, pois iso dinamita as posibilidades de recuperación, porque así ese mercado queda anulado". "Hai que empezar por aí, cunha estratexia de recuperar primeiro unha rúa, despois outra, despois outra, e se cadra en dúas ou tres lexislaturas tes o barrio en condicións" Como sinalaba o propio Allegue nun artigo publicado en La Voz de Galicia hai un tempo, cando se debatía a conveniencia ou non de derrubar a histórica Fábrica de Lápices (finalmente derrubada), situada en Ferrol Vello, para construír un conxunto de vivendas novas no lugar: "O que está en xogo é moito máis que Fábrica de Lápices sí ou Fábrica de Lápices non. O que está en xogo é o modelo de cidade que queremos para Ferrol". |
NOS_28927 | Foi unha das activistas culturais "máis recoñecidas, queridas e admiradas da diáspora galega en Catalunya". Incansábel defensora da lingua galega, lingüista especializada en fonética, Sabela Labraña morreu hai tres anos en Barcelona. Un grupo de amigas e profesoras organiza a vindeira quinta feira, 13 de decembro, unha homenaxe na súa memoria. | Será na libraría Chan da Pólvora, en Santiago de Compostela, ás oito e media do serán. Participarán as docentes e amigas achegadas a Labraña Rosario Álvarez -presidenta do Consello da Cultura Galega e membro da Academia-, Elisa Fernández Rei e Xosé Luís Regueira -igualmente con asento na Real Academia Galega. O pintor Alfredo Salom e a poeta e profesora María do Cebreiro tamén intervirán. Sabela Labraña nacera en Cedeira en 1950. Os organizadores do encontro lembran que sempre "entendeu a lingua galega como un ben comuitario que debía ser espallado alí onde houbese persoas interesadas". "As súas clases na Universitat de Barcelona", engaden, "así como o seu traballo no proxecto Galauda [dedicado ao ensino do galego na ensinanza secundaria de Catalunya], contribuíron a estabelcer unha ponte entre as culturas catalá e galega". "Sabela Labraña será lembrada non só polo seu intenso exercicio docente e investigador, senón pola curiosidade intelectual e pola amplitude dos seus intereses artísticos", sinalan os promotores da homenaxe do vindeiro 13 de decembro. |
NOS_1981 | A candidata pola circunscrición de Pontevedra, Carmen da Silva, chamou á cidadanía a votar "para levar a voz de Pontevedra ao Congreso, que até agora estivo muda". No acto, celebrado este domingo, a voceira nacional, Ana Pontón, pediu o apoio a Da Silva para botar "ENCE fóra da ría". | Este domingo o BNG celebrou un acto en Pontevedra, no que participaron a candidata pola circunscrición pontevedresa, Carmen da Silva, a voceira nacional do partido, Ana Pontón, o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández-Lores, e a concelleira nacionalista Anabel Gulías. Pontón chamou a mobilizarse para chegar as persoas "desencantadas" coa "inutilidade das forzas estatais que persistiron na discriminación da Galiza e que tampouco serviron para recuperar dereitos ou liberdades". Recalcou que as reformas laborais ou a Lei Mordaza continúan vixentes na actualidade. "Pídolles a todas as persoas decepcionadas e cabreadas porque aí seguen que se rebelen nas urnas votando BNG, que é garantía de defensa de Galiza e dunha axenda social, de dereitos e liberdades", afirmou. En relación ás enquisas que outorgan un escano ao BNG, como a deste domingo publicada por Sondaxe, Pontón chamou a "intensificar" a campaña de rúa. "Os escanos gáñanse nas urnas, non nas enquisas, non demos nada por feito, necesitamos movernos e falar con todo o mundo porque nós non estamos nos platós de televisión", lembrou. Pontón puxo a cidade do Lérez como exemplo de xestión do BNG e, con ese aval, solicitou o voto para a candidatura que lidera Carmen da Silva. "Queremos que estea no Congreso para poñer fin ao silencio destes anos e a esa inmoral prórroga de ENCE, facendo realidade unha das máis sentidas demandas da cidade: o traslado de ENCE fóra da ría". Da Silva tamén sinalou a pasteira durante a súa intervención: "O noso compromiso é traballar coa mesma ilusión e intensidade no Congreso, levando alí a voz de Pontevedra, que até agora estivo muda, e cos seus proxectos pendentes metidos en caixóns polas forzas políticas madrileñas. O vindeiro 10-N o país ten que gañar, Galiza ten que estar". |
PRAZA_1362 | O deputado de AGE e os seus familiares volveron ser ataques de odio político, un acoso que se iniciou durante a campaña electoral, e que non se detén. O arousán denuncia a deixadez da policía e tema que as agresións poidan ir a máis. | Nin unha, nin dúas, nin tres. As agresións contra Juan Fajardo -deputado no Parlamento galego e concelleiro en Vilagarcía de Arousa- e os seus familiares continúan. O acoso comezou durante na campaña electoral, con varios episodios nos que persoas sen identificar realizaron pintadas intimidantes no vehículo de familiares e na porta da súa vivenda, onde alguén escribiu "mierda comunista". Repetíronse en varias ocasións, deténdose uns días antes dos comicios, e agora semella que volven comezar. Este domingo, de novo a vivenda da súa irmá foi obxecto de pintadas e outros desperfectos, unhas accións nas que Fajardo ve a man "da ultradereita". "Isto non é algo casual nin illado, e vai máis aló dun delito de danos, isto é un delito de odio político e así queremos que se investigue e se xulgue", sinala. Ao igual que hai unhas semanas, o que máis molesta a Fajardo é a "deixadez" das forzas de seguridade e a sensación de "impunidade". "Sentímonos totalmente esquecidos. E o peor foi onte á noite, que a miña irmá escoitou os agresores na porta da súa casa, chamou á policía e a policía nin sequera foi por alí", explica. "É unha situación brutal, inaceptable" -di- "esperemos que isto non vaia a máis e que as agresións non aumenten en intensidade". "Se isto llo fixeran a un parlamentario do PP estarían falando xa de terrorismo", engade. O deputado e concelleiro, que xa presentou varias denuncias polos feitos, criticaba xa hai unhas semanas entrevistado por Praza a dobre vara de medir esta situación e outras, moito máis perseguidas: "Neste país métese a xente na cadea por facer comentarios políticos en twitter, ou hai decenas de sindicalistas no cárcere por defender o dereito á folga, pero cando a ultradereita fai estas cousas resulta que che poñen todas as dificultades posibles á hora de facer a denuncia". |
NOS_15911 | Afirma que Galiza administrou case o 94% das doses recibidas. | Galiza administrou o 93,7% das doses de vacinas fronte á Covid-19 recibidas e até a data 247.738 persoas teñen a pauta vacunal completa. Así se desprende dos datos actualizados na mañá de hoxe, 26 de abril, pola Consellería de Sanidade relativos ao 'Cronómetro de vacinación', recollidos por Europa Press, nos que se indica que das 1.051.535 doses recibidas, administráronse 985.996, o que supón o 93,7%. En canto aos grupos de poboación vacinados, por condición de vulnerabilidade indícase que recibiron a primeira dose 11.752 persoas con condición de alto risco e 331 teñen a pauta completa. En canto ás persoas non institucionalizadas 14.632 recibiron polo menos a primeira dose e 5.010 a pauta completa da vacina; mentres que das institucionalizadas -que se empezaron a vacinar o 27 de decembro do ano pasado-, 23.423 tiveron a primeira e 22.577 contan coa pauta completa. E no grupo de persoas vacinadas por condición de vulnerabilidade inclúense 525.716 que recibiron a primeira dose e 142.994 teñen a pauta completa. En canto aos vacinados na Galiza por probabilidade de exposición, os datos de Sanidade publicados inclúen 73.584 profesionais do ámbito sanitario coa primeira dose e 55.554 coa pauta completa. A estes engádense 28.846 coa primeira entre profesionais do ámbito socio-sanitario -os de primeira liña empezaron a recibila o 13 de xaneiro- e 19.016 coa pauta completa. En canto os traballadores e traballadoras de actividades esenciais ascenden a 60.280 os que recibiron a primeira dose e 2.253 os que xa teñen a pauta completa. Por grupos de idade e sexo, na Galiza foron vacinadas até a actualización dos datos publicados 124.367 persoas maiores de 85 anos; 93.313 de 80 a 84 anos; 195.675 de 75 a 79 anos; 102.759 de 70 a 74 anos; 14.906 de 65 a 69; 104.393 de 60 a 64 anos; 26.122 de 55 a 59; 38.072 de 50 a 54 anos e 29.043 de 45 a 49 anos. A estes grupos de idade das persoas vacinadas súmanse 26.224 de 40 a 44 anos; 18.956 de 35 a 39 anos, 15.284 de 30 a 34; 12.407 de 25 a 29 e 6.026 de 20 a 24. |
PRAZA_7528 | A Xunta aférrase ao cómputo das agardas baseado nas "patoloxías máis graves" e obvia o sistema ordinario, lastrado polos máis de 200 días de demora do hospital POVISA de Vigo | O Servizo Galego de Saúde fai públicos os datos das súas listas de agarda cunha periodicidade trimestral. Na súa web é posible consultar as cifras, globais e por hospitais, dende 2005 ata a actualidade. Non obstante, este xoves aínda non estaban dispoñibles os datos correspondentes ao cuatro trimestre de 2012, algo que non impediu que o Consello da Xunta tivese sobre a súa mesa un "informe de situación das listas de espera" correspondente ao conxunto do ano que vén de rematar. Ese documento sérvelle ao presidente, Alberto Núñez Feijóo, para asegurar que "estamos mellorando o rendemento" porque as "patoloxías máis graves" son atendidas "nunha media de 17 días". Os datos que expón o xefe do Goberno galego non están nesa base de datos pública, a cal amosa un panorama bastante máis pesimista. Explica Feijóo que o seu goberno está "afondando no compromiso de reorientar a lista en función das patoloxías máis urxentes" as que poden derivar en "desenlaces non queridos" e nelas a espera media é de 17,2 días, 16 no caso "dos hospitais titularidade do Sergas". Ese matiz no discurso presidencial non é menor. "Hospitais titularidade do Sergas" é sinónimo de "todos os hospitais agás POVISA", o complexo privado que, en virtude dun concerto coa Xunta, é o hospital de referencia para uns 100.000 pacientes da área de Vigo. Esta empresa privada sanitaria é a mesma que lastra notablemente as listas de espera de toda Galicia ao seren cuantificadas polo método tradicional, cómputo que se publica na web do Sergas. O último dato dispoñible é, polo momento, o do peche de setembro de 2012 e sitúase en case 100 días. Nomeadamente, ao peche do terceiro trimestre en Galicia cumpría agardar 98,9 días para pasar polo quirófano. A Xunta pon o foco nas "patoloxías máis graves" e non no conxunto das listas Ese dato de setembro era o máis alto do ano 2012, pero tamén o peor dende que o Feijóo chegou á Xunta. Incrementábase así a agarda rexistrada en xuño, con 80,3 días, tamén a de marzo, con 82,2, e a de decembro de 2011, cando o Instituto Galego de Estatística detallou que a lista de espera cirúrxica acadaba unha media de 83,2 días no conxunto dos hospitais aos que teñen que acudir os e as doentes que dependen do Sergas, isto é, nos hospitais públicos e en POVISA. Fronte aos 100 días do conxunto do sistema, POVISA pechou setembro con 212,4 días de agarda cirúrxica Unha ollada aos datos específicos deste centro privado concertado de Vigo permite coñecer por que actúa como verdadeiro lastre para a rede pública. Fronte aos case 100 días de media, POVISA presentaba ao remate de setembro 212,4 días de agarda para operacións cirúrxicas. En xuño o dato tampouco era menor, con 192,7 días, como non o foi en marzo, con 185,4 días, e en decembro de 2011, ano que pechou con 187,3 días de espera media. Teoricamente este lastre debera desaparecer cando entre en funcionamento o novo hospital de Vigo, se ben a oposición parlamentaria vén alertando da posibilidade de que o concerto continúe, xa que a futura Lei de Garantías -segundo a cal a Xunta se comprometerá a operar os pacientes nun máximo de 60 días- incluirá a "libre elección de hospital", abrindo así a porta á permanencia de POVISA no sistema. Mentres as listas de POVISA, que mesmo foron investigadas polo Valedor do Pobo, seguen actuando como rémora do sistema público, Feijóo chama a poñer o foco en que "estamos mellorando todos os indicadores, tanto de cirurxía como de consultas" no que a patoloxías graves se refire. "Diminuímos en 23 días" a espera "dos pacientes con patoloxías máis graves" e, no caso das consultas, "a demora media sitúase en 55 días, 10,4 de baixada a respecto do pasado ano". Estes son, en todo caso, datos correspondentes a decembro de 2012 que o público en xeral aínda non pode coñecer de primeira man. |
NOS_15339 | Presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos, a xornalista e investigadora Débora Campos explícanos desde Bos Aires a dimensión e o alcance do XI Congreso Internacional de Estudos Galegos que se desenvolverá na capital arxentina do 6 ao 8 de abril. | -Que vai supor o XI Congreso Internacional de Estudos Galegos que terá lugar de Buenos Aires? Coma calquera outro congreso de especialistas nunha determinada disciplina, o XI Congreso Internacional de Estudos Galegos constitúe un encontro periódico no que un grupo de persoas expertas en áreas do coñecemento e do saber vinculadas cos Estudos Galegos, chegadas de todo o mundo (a quen demos en chamar galicianistas), presentarán as súas investigacións e traballos realizados nos últimos anos. Ao faceren isto, achegarán distintas ferramentas, conceptos ou puntos de vista, deste xeito abrindo novas vías e perspectivas de investigación para outras/os colegas. Do froito de todo ese movemento intelectual (e físico tamén), xurdirán novos temas, novas achegas, olladas distintas, perspectivas novas. Alén disto, 30 anos despois da fundación da AIEG en 1985, o congreso trianual da AIEG celebrarase por vez primeira en Bos Aires, unha cidade moi vinculada con Galiza e que por tanto estará presente en moitas desas investigacións que se presentarán. Por vez primeira, Bos Aires vai ser tema, contexto e escenario dos debates. "30 anos despois da fundación da AIEG en 1985, o congreso trianual da AIEG celebrarase por vez primeira en Bos Aires, unha cidade moi vinculada con Galiza" -Que 121 relatores, maiormente da Galiza, participen no encontro que relevancia terá de cara ao futuro da situación dos Estudos Galegos? O programa está dispoñíbel en: estudosgalegos.wix.com/congreso_bosaires Nel pode verse como non é certo que a maioría de relatores/as veñan de Galiza. Pero en calquera caso, o importante para os Estudos Galegos non é de onde veñen as investigadoras ou investigadores, senón a oportunidade que o congreso brinda para o diálogo académico.Malia o contexto de recurtes na educación superior na nosa contorna, hoxe en día fanse Estudos Galegos en moitas universidades de Europa, Norteamérica, América Latina, países da Lusofonía, e mesmo en Oceanía. Cada tres anos a AIEG celebra un congreso, que como todos os congresos científicos, vai precedido dunha circular cunha chamada a comunicacións. Calquera estudosa/o pode enviar unha proposta, e logo o comité científico do congreso selecciona aquelas máis relevantes e invita ás/aos seus autores a que se matriculen no congreso e presenten esa proposta en forma dun relatorio académico no congreso. Doutra banda, como tamén é habitual nestes encontros científicos, existen conferencias plenarias a cargo de especialistas de renome (neste caso, un investigador galego e dúas investigadoras arxentinas) e teremos tamén participacións moi importantes en formas de ciclos de diálogos, nos que participan investigadoras de Nova Celandia, País de Gales, Estados Unidos, Arxentina, Brasil, etc., ademais doutras/os vidos de Galiza. Os congresos da AIEG teñen sempre, en todas as súas edicións desde a súa fundación, a vocación de lle facilitaren un estrado internacional aos investigadores e investigadoras galegas, pero tamén de seren foro de intercambio con outros investigadores de todo o mundo que comparten o interese polos estudos galegos. Isto é fundamental de cara á proxección internacional dos Estudos Galegos. Haberá 121 relatores que deixarán oír a súa voz e que sementarán, nesta ocasión en Arxentina, o interese e a importancia dos estudos galegos no mundo. -O programa é, en certa medida, observatorio do que se está a investigar nas Universidades galegas? Non. O programa é un reflexo do que están a investigar sobre Estudos Galegos as académicas/os que presentaron unha proposta de comunicación, que á súa vez foi seleccionada polo comité científico, e que teñen vías de financiamento para acudir presencialmente a Bos Aires para impartir ese relatorio. Desde o comité organizador do congreso, intentamos facer a circular coa chamada a comunicacións que fose o máis atractiva posíbel, entendendo os estudos galegos como unha supradisciplina que abarca todas as áreas de saber sempre e cando teñan relación coa realidade galega.Temos representación das universidades galegas, claro está, pero os estudos galegos ocupan un espectro moito máis amplo, tanto xeográfico como institucional. As metodoloxías e tradicións académicas son moi distintas nos distintos continentes. E o congreso da AIEG funciona como ponte entre elas. As interaccións que teñen lugar no congreso resultan moi produtivas tanto para investigadoras/es en estudos galegos no estranxeiro (que teñen a oportunidade de coñecer de primeira man os avances feitos nas universidades galegas) como para a comunidade académica en Galiza (que ten acceso aos resultados de investigación máis recentes feitas por colegas que traballan en universidades de fóra, e que moitas veces publican os seus traballos en revistas científicas non sempre coñecidas en Galiza). -O espazo que leva o Consello da Cultura Galega refírese a Bos Aires como capital da cultural galega, continúa a ter presenza a nosa cultura na principal cidade arxentina? O Consello da Cultura Galega é organizador dun ciclo de diálogos a dúas beiras moi rico. Un deses diálogos busca reflexionar sobre o rol que xogou e que xoga a cidade de Bos Aires como enclave cultural para os galegos e as galegas que nacemos nesta diáspora. Dende logo que a cultura galega ten presenza nesta capital arxentina. Tena dende a propia colectividade galega, dende as tradicionais festas e romerías, pasando por actividades culturais moito máis innovadoras, clases e obradoiros de case todo o relacionado coa terra, cátedras que as universidades dedican á Galiza (case todas sen subvencións de por medio). Na Arxentina a TVG é un clásico e os programas coméntanse como se comenta o telexornal porteño. O galego ainda soa polas rúas de Bos Aires e moitos galegos e galegas levamos a nosa identidade aí onde traballamos. Por citar un caso, podemos botar unha ollada á obra da escritora María Rosa Lojo, á última novela da escritora Claudia Piñeiro, ao calendario de cidades homenaxeadas polo goberno da Cidade de Bos Aires, pola cantidade de público que leva ao teatro o grupo Xeito Novo dende hai décadas... "Haberá 121 relatores que deixarán oír a súa voz e que sementarán, nesta ocasión en Arxentina, o interese e a importancia dos estudos galegos no mundo". -Fóra do ámbito universitario pode resultar chamativo que, nun momento de crise como o que vivimos, un congreso sobre temas galegos teña como sede Bos Aires con participantes da Galiza, cales son, ao seu ver, as razóns que o xustifican? A razón que xustifica a celebración do XI Congreso da AIEG en Bos Aires é a votación dos socios e socias na Asamblea Xeral celebrada en Cardiff/Caerdydd (País de Gales) en setembro de 2012. Antes ten habido congresos nos Estados Unidos, Cuba, Alemaña, Inglaterra, País de Gales, Cataluña, Brasil… porque así o decidiron, tres anos antes, as socias e socios. Xunto á elección de sede para o seguinte congreso trianual, as socias e socios elixen tamén a xunta directiva. Até o de agora, adoita ser o caso que o congreso se celebre na cidade onde exerce a súa actividade a presidenta, amparada por unha institución académica. A principal institución colaboradora deste congreso 2015 é a Universidade Nacional de San Martín (UNSAM) a través do seu programa Lectura Mundi. E se o fan, é xustamente porque teñen o proxecto en fundar unha cátedra Galicia-América e levan tempo traballando niso. O congreso representa para eles e elas unha oportunidade de coñecer e de achegarse a ducias de expertos e expertas nas que teñen moito interese. Doutra banda, a AIEG finánciase coas cotas anuais dos socios e socias (que residen e traballan, insisto, non só de Galiza), se ben para a celebración do congreso se solicitan axudas puntuais a distintos organismos. Como dixen antes, os investigadores galegos que virán son tantos como os de outros sitios do mundo. Hai académicos traballando sobre temas galegos por todo o planeta. Xa que logo, plantexar que en tempos de crise hai que facer o congreso na propia terra para non viaxar é ignorar completamente a realidade deste ámbito. Por último, nos Estatutos da AIEG e no programa que presentei antes de ser elixida presidenta, un dos nosos obxectivos marcados é o de dar continuidade ao propósito para o que a AIEG se constituíu: difundir e proxectar os estudos galegos no mundo, creando vías de diálogo entre galicianistas que fan o seu traballo en institucións académicas de todo o planeta. Tamén nesa liña decidimos crear hai uns anos o "Directorio de Galicianistas" (tamén dispoñíbel na web), que serve como documento base onde as socias e socios que así o desexan fan públicas as súas áreas de interese coa finalidade de fomentar interaccións. -No fin do congreso desenvolverase a Asemblea Xeral de Socios e Socias da AIEG, que balance fai vostede deste tempo de presidencia da entidade? Antes de asumir a presidencia neste trienio, exercín o cargo de vogal na anterior directiva de 2009-2012. O que destacaría é a continuidade co traballo realizado por anteriores directivas para fomentar a cohesión de base asociativa, manter canles de comunicación abertas (como a lista de correo Estudos Galegos, ou os perfís da AIEG nas redes sociais), profesionalizar algunhas tarefas de xestión, poñer a disposición da comunidade investigadora o Directorio de Galicianistas ou manter un sistema de bolsas para cubrir os gastos de viaxe e aloxamento de investigadoras/es posdoutorais, entre outras. Cinguíndome ao congreso, un logro deste directiva e comité organizador do congreso foi sen dúbida o traballo feito para reforzar a rede internacional de investigadoras/es, traendo a Bos Aires a algunhas das figuras máis importantes a nivel mundial, como José Colmeiro desde Nova Celandia, Gabriel Rei-Doval desde os Estados Unidos, Helena Miguélez-Carballeira desde Reino Unido, amais de María Rosa Lojo e Silvia Dolinko en Bos Aires. Abofé que fican cousas por facer, pero estamos nun camino que paso a paso nos leva a facer ouvir, cada vez máis alto e máis forte, a voz dos estudos galegos. En todo caso, a Asemblea Xeral de Socios e Socias da AIEG, que terá lugar na metade do congreso (e non no fin), vai ser o ámbito idóneo para facer ese balance da man dos socios e das socias porque toda análise nese sentido ten que ser colectiva. Somos unha entidade e os nosos destinos decídense de xeito democrático. "A historia galega, a literatura galega, a música galega, o teatro galego, a economía galega… non lles interesan só aos galegos, interesan internacionalmente e nós debemos traballar pola súa proxección internacional". -Que papel cumpre a AIEG hoxendía? Que obxectivos ten que cumprir, ao seu ver? A AIEG ten un obxectivo claro, establecido nos seus Estatutos desde a súa fundación en 1985, que é o de contribuír á proxección internacional dos Estudos Galegos. Cada directiva asume ese obxectivo e pon en marcha iniciativas para avanzar na súa consecución, pero sempre co propósito último de promover os estudos galegos a nivel internacional. Isto implica propiciar o intercambio entre as/os estudosas/os das diversas disciplinas que se ocupan da realidade galega, aumentar a presenza multidisciplinar dentro da AIEG, potenciar a relación entre galicianistas de todo o mundo, estreitar lazos científicos e culturais coas universidades da Arxentina e coas asociacións nas que se desenvolven traballos culturais e históricos vencellados á Galiza, ou facer visíbel a AIEG noutros congresos e publicacións. Por exemplo, están para saír dúas publicacións editadas por María Liñeira e Olga Castro, que recollen algunhas das contribucións presentadas no congreso de 2012, despois de pasaren un rigoroso proceso de revisión por pares. Unha publicación edítaa o Consello da Cultura Galega, e a outra é un monográfico da revista científica Abriu: Estudos de Textualidade de Galicia, Brasil e Portugal. -Con toda certeza, o destino seguinte será Madrid, de onde vén a única candidatura presentada. Como valora que o congreso teña lugar na seguinte edición na capital española? O destino do Congreso da AIEG 2018, así como a elección da próxima xunta directiva da AIEG, son dous puntos da orde do día da Asamblea Xeral que terá lugar o día 7 de abril, e decidiranse por votación das socias e socios presentes, contando tamén os votos que cheguen por correo postal. Presentouse unha única candidatura, encabezada por unha profesora da Universidade Complutense de Madrid, que conta tamén con galicianistas que exercen o seu traballo investigador nas universidades de San Petersburgo, Porto, Varsovia, Vigo ou Montana. A título persoal podo opinar que Madrid me parece unha sede tan boa como calquera outro recanto do mundo, se alí hai a infraestrutura e o equipo humano para preparar o seguinte macrocongreso. Desde logo, é innegábel que Madrid é unha capital europea importante, unha cidade cun importante movemento cultural e social. Hoxe en día é xa unha cidade cosmopolita, como o pode ser calquera outra grande cidade europea, e por tanto é unha sede oportuna para que de novo resoe a voz dos estudos galegos no mundo. Os estudos galegos non se fan só na terra. A historia galega, a literatura galega, a música galega, o teatro galego, a economía galega… non lles interesan só aos galegos, interesan internacionalmente e nós debemos traballar pola súa proxección internacional. -Esta entrevista foi feita por medio de correo electrónico. |
NOS_27751 | Considera que a figura de Casal xustifica por si soa un ano de celebracións en tanto que figura senlleira e fundamental para comprender o enorme avance da lingua e das letras galegas no primeiro terzo do século XX. | A Federación Galiza Cultura vén de amosar a súa satisfacción pola elección de Ánxel Casal como un dos candidatos para ser homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2022 e parabeniza á Real Academia Galega pola escolla. Galiza Cultura considera que a figura de Casal xustifica por si soa un ano de celebracións en tanto que figura senlleira e fundamental para comprender o enorme avance da lingua e das letras galegas no primeiro terzo do século XX. Anxel Casal (1895-1936) destacou polo seu labor como editor. Creou as editorial Lar, con Leandro Carré Alvarellos e, posteriormente, creou a editorial Nós. Foi Ánxel Casal quen editou, entre outros, Castelao, Otero Pedrayo, Risco, Cunqueiro, Manoel Antonio, Víctor Casas, Ramón Vilar Ponte, Cabanillas, Blanco Amor, Amado Carballo, … e con el colaboraron ilustradores da talla de Seoane, Camilo Díaz Baliño ou Maside. Ademais, da súa imprenta saíron publicacións como Nós ou A Nosa Terra. O seu labor como editor e impresor resultou fundamental para o desenvolvemento do galeguismo do seu tempo, até o punto de que Castelao chegou a dicir que "Casal por Galiza fixo máis do que todos nós". Casal uniuse á Irmandade da Fala da Coruña, colaborou no Conservatorio da Arte Galega e foi o promotor e primeiro mestre da Escola do ensino galego das Irmandades. Foi militante do Partido Galeguista desde a súa fundación e foi elixido como alcalde de Compostela desde febreiro de 1936 até o 9 de xullo, data na que todos os concelleiros galeguistas dimitiron dos seus cargos. Como secretario de propaganda do Partido Galeguista, asistiu á xuntanza organizada no Concello de Santiago para convocar a Asemblea de Municipios para a redacción do Estatuto. Vicepresidente da deputación coruñesa e do comité executivo para o Estatuto, foi un incansábel traballador a prol da aprobación deste. O 16 de xullo, Ánxel Casal entregaba nas Cortes o texto estatutario aprobado o 28 de xuño. Após o golpe de estado de xullo de 1936, Casal fuxiu para Vilantime, parroquia de Arzúa, e foi detido o 4 de agosto. O día 19 o seu corpo aparecía xunto ao de José Areosa Devesa nunha gabia da estrada de Cacheiras. |
NOS_46066 | Os nacionalistas protestarán no Congreso de Madrid polo "elevado impacto" dunhas posíbeis obras que ameazan postos de traballo e contan coa oposición da veciñanza. | A deputada do BNG no Congreso Rosana Pérez presentou unha pregunta parlamentaria na que pide ao Ministerio de Fomento que "retroceda e abandone" a opción do trazado de acceso ferroviario ao Porto Exterior de Punta Langosteira polo seu "elevado impacto". En concreto, a nacionalista advirte ao Goberno de que a alternativa elixida provocou o "malestar e a preocupación dos veciños da zona", xa que o trazado "conta cun amplo rexeitamento social e político no municipio de Arteixo polo seu grave impacto nos núcleos de poboación de Uxes, Santa Icía e Rañobre". Rosana Pérez afirma que se trata do "trazado máis prexudicial", tanto nos núcleos de poboación coma na factoría de Ferroatlántica. Así mesmo, recorda que existen "catro alternativas". Ferroatlántica Ademais da oposición, indica a deputada do BNG, existe tamén unha "certa inquietude" entre os traballadores da factoría de silicio Ferroatlántica, dado que o trazado pasa "moi próximo á fábrica" e as obras terían un "impacto importante sobre o almacenamento ao aire libre e baixo cuberta". |
NOS_46072 | Imputa os delitos de prevaricación e desobediencia a Carme Forcarel, ben como aos 4 parlamentares de JxSí e o deputado de Catalunya sí que es Pot que votaron na mesa a prol da tramitación. | A Fiscalía española move ficha antes mesmo de que o Parlament vote a lei do referendo [está previsto que o faga esta mesma tarde]. O ministerio público, a través da Fiscalía Superior de Catalunya, presentará unha querela por desobediencia e prevaricación contra Carme Forcadell, ben como contra os catro parlamentares de JxSí contra e Joan Josep Nuet, de Catalunya Sí que es Pot, integrantes da Mesa do Parlament que votaron a favor da tramitación da Lei do Referendo. A Fiscalía pretende impugnar que a mesa aceptase tramitar a lei do referendo a pesar de o Tribunal Constitucional ter anulado calquera acto preparativo da consulta do 1-O. A Lei do referendo tramitouse grazas aos votos favorábeis de JxSí (4) e Catalunya sí que es Pot (1). Todos eles están xa a ser investigados por permitir a votación da resolución sobre o referendo. "Graves consecuencias" Soraya Sáenz de Santamaría, vicepresidenta do goberno español, non demorou en comparecer ante os medios. No marco da tónica xeral do executivo español a respecto do 'procés' catalá, tirou de argumentario de guerra: "Isto ten graves consecuencias", advertiu a Forcarell e membros da Mesa por admitir tramitar a Lei do referendo. Declarou que o que se tramita no Parlament é "ilegal e anticonstitucional" e acusou Forcarell de "non saber o que é a democracia". Tamén anunciou que o goberno español recorrerá de inmediato perante o TC a lei de referendo imediatamente a seguir a súa aprobación na Cámara catalá. |
PRAZA_17157 | É a segunda acción deste grupo de voluntariado para o coidado do monte impulsado por Verdegaia. Os traballos realizaranse este sábado pola mañá co obxectivo de eliminar esta especie invasora que se estende con rapidez nas zonas arrasadas polo lume. No inverno plantaranse froiteiras bravas no lugar. | As Brigadas Deseucaliptizadoras realizarán este sábado 26 a súa segunda xornada de traballo. será en Lentille, no concello de Cenlle (O Ribeiro). O obxectivo principal da xornada de traballo é a erradicación de acacias, unha especie exótica invasora que supón un serio problema ambiental polo seu rápido crecemento, por competir coas especies autóctonas e pola acidificación do solo que trae consigo. A acacia esténdese con rapidez nas zonas arrasadas polo lume, como se pode comprobar nestes momentos en moitos dos montes galego que sufriron incendios o pasado outono. A intervención das brigadas manterá as árbores autóctonas que conseguiron sobrevivir ao lume, coa idea de introducir no vindeiro inverno froiteiras bravas. A acción centrarase nunha parcela de Lentille orixinalmente vinculada á igrexa e que leva en estado de abandono desde os anos 1970. Os actuais propietarios pretenden recuperar os valores naturais da mesma así como os canais e pozos de rego antigos, coa súa biodiversidade asociada. Nesta ocasión foron algo máis de 20 persoas as que se apuntaron como voluntarias para a realización dos traballos, que se levarán a cabo entre as 10 da mañá e as 2 da tarde, hora na que se ofrecerá un xantar ás persoas participantes. A xornada completarase cunha foliada, un pequeno obradoiro práctico sobre o combate contra a velutina e un paseo pola zona, no que se poderá gozar das vistas do val do Avia. A organización das brigadas ofrece luvas e ferramentas para todo o mundo e recomenda levar roupa e calzado apropiado para o traballo no monte, así como un chuvasqueiro se así o recomenda o tempo previsto. As Brigadas levaron a cabo a súa primeira acción o mes pasado en Froxán. O obxectivo é organizar localmente todaas as persoas que en toda Galicia queren realizar accións de coidado do monte, a restauración de espazos queimados e a prevención de incendios forestais. O proxecto está tamén pensado para que calquera colectivo (comunidades de montes veciñais, asociacións veciñais, grupos de sendeirismo...) poida implicarse na organización dunha brigada local. Así, aqueles colectivos locais ou titulares de parcelas forestais que queiran establecer unha Brigada no seu territorio, poden anotarse por medio da web no formulario de incorporación de parcelas. "As accións das Brigadas, cun non menos importante sentido de convivio e comunidade, artículanse por volta dos conceptos tradicionais de roga (chamada ao traballo en común) e albaroque (xantar comunal ofrecido ás voluntarias)", destacan. Web das Brigadas |
PRAZA_5028 | Ante as reiteradas negativas da Xunta de dar un paso para asegurar a integración de Música, Arte Dramática, Deseño ou Conservación na universidade, alumnado, profesorado e pais e nais demandarán tamén ante o Ministerio de Educación unha decisión que equipare España co resto de Europa. | Si pero non. Equivalentes a estudos universitarios pero lonxe -nalgúns aspectos esenciais- de que esta equivalencia sexa real na práctica. Esa é a situación na que dende hai dous anos se atopan o alumnado e profesorado das chamadas ensinanzas artísticas superiores, como Música, Deseño, Artes Plásticas, Deseño ou Conservación e Restauración. En 2009 acadaron por fin a vella reivindicación de integrarse no Sistema Universitario; porén, en 2012 unha sentenza do Tribunal Supremo devolveunos á súa condición previa de estudos técnicos superiores, equiparables legalmente aos graos e postgraos universitarios, pero non integrados no seu sistema, e con meirandes dificultades para que os alumnos e docentes vexan recoñecida esta condición á hora de solicitar bolsas, Erasmus ou residencias. Nos últimos dous anos buscaron que a Xunta de Galicia apoiase a súa adscrición á Universidade. A LOE recollía (e tamén o fai a LOMCE) que os centros que imparten ensinanzas artísticas podían iniciar ese proceso, e que a decisión dependía de cada autonomía. Polo tanto, a responsabilidade recaía na Xunta, pero o Goberno galego mirou cara a outro lado. O pasado mes de outubro, no Parlamento, o PP votou en contra da adscrición da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra á Universidade de Vigo. A negativa da Xunta a adoptar calquera decisión e mesmo practicamente a debater sobre o asunto levounos a mirar tamén a Madrid, cara ao Ministerio de Educación, para forzalo, xunto coas escolas e plataformas do resto de España, a adoptar unha solución de conxunto para todas Os centros galegos afectados por esta situación: Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD) e os Conservatorios de Música de Vigo e A Coruña, mudaron a súa estratexia hai uns meses. A negativa da Xunta a adoptar calquera decisión e mesmo practicamente a debater sobre o asunto levounos a mirar tamén a Madrid, cara ao Ministerio de Educación, para forzalo, xunto coas escolas e plataformas do resto de España, a adoptar unha solución de conxunto para todas. "Ninguén se atreve a dar o paso, pero no momento en que alguén o dea, sexa o Ministerio ou sexa unha consellaría, da comunidade autónoma que sexa, o resto o seguirán" Fernando Carrera, director da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra, subliña que "ninguén se atreve a dar o paso, pero no momento en que alguén o dea, sexa o Ministerio ou sexa unha consellaría, da comunidade autónoma que sexa, o resto o seguirán". "Por iso -engade- estamos traballando en frontes distintas, tocando moitas persoas, para buscar unha solución". Esta loita vaise reactivar nas vindeiras semanas. O venres 14 constituirase en Compostela a plataforma de pais e nais do alumnado prexudicado pola actual situación. Como salienta Manuel Vieites, da Plataforma Galega pola Integración na Universidade, "pretendemos xerar un movemento galego, tamén cos pais, un movemento potente que se sume aos que se conformen noutras comunidades autónomas, por exemplo en Andalucía. Para despois plantarnos en Madrid e forzar que o Ministerio mova ficha". Dende a Plataforma lembran que a incorporación das ensinanzas artísticas superiores á universidade "de acordo co marco do Espazo Europeo de Ensinanza Superior" era unha promesa electoral do Partido Popular, que figuraba na páxina 157 do seu programa para as eleccións de 2008. O venres 14 constituirase en Compostela a plataforma de pais e nais do alumnado prexudicado pola actual situación Vieites espera que a este movemento se sumen tamén "os pais e nais dos nenos e nenas que agora están nos conservatorios, por exemplo, preocupados polo futuro dos seus fillos. Váleme a pena enviar os meus fillos aos conservatorios superiores se despois van ter un recoñecemento menor? Non será mellor que realicen no estranxeiro estes estudos?", pregúntase. "Esta situación só se explica polo spain is different, por este insularismo hispánico carpetovetónico", denuncia. No fondo, salienta Vieites, o único que se busca é equiparar a situación destas ensinanzas en España á que teñen na meirande parte dos países de Europa, agás Italia e algunha outra excepción. Unha menor consideración que está levando á procura de solucións alternativas, que pasan pola marcha ao estranxeiro (moitos a Portugal, pola súa proximidade con Galicia) ou pola picaresca. Na Plataforma teñen noticia de varios casos de alumnos e alumnas (por exemplo, un de Ourense e outro da Coruña) ao que universidades privadas lles ofreceron unha convalidación automática e ad hoc da súa formación en conservatorios superiores para que teñan a consideración de graos universitarios. E polo módico prezo de 3.500 euros (unha cantidade que pode ser moi superior noutros casos), ademais de perder un ano de formación. Porén, é unha fórmula á que moitos acabarán recorrendo no caso (como sucede no devandito exemplo ourensán) de querer continuar os seus estudos nunha prestixiosa escola de música de Londres, que require ese título universitario. Dende a Plataforma tamén sinalan que a actual situación está a provocar atrancos de moitos tipos, que tamén afectan á concesión de bolsas de estudo. Este ano as ensinanzas artísticas superiores quedaron excluídas do pago da matrícula por parte do Ministerio de Educación. A convocatoria de bolsas 2013-14 engade unha disposición adicional que sinala que o Ministerio "eximirá do pago de taxas de matrícula ao alumnado matriculado en centros públicos dependentes do mesmo que resulte beneficiario dalgunha das bolsas ou axudas ao estudo convocadas por esta resolución para cursar ensinos non universitarios". As escolas artísticas públicas dependen economicamente de cada comunidade autónoma, polo que o Ministerio se desentende do pagamento destas bolsas, que pasan a depender de cada comunidade autónoma. Os alumnos e alumnas comezaron a recibir nas últimas semanas cartas que os informan da resolución negativa da súa solicitude de bolsas. |
NOS_42602 | A presenza de Salman Rushdie no FOLIO, o Festival Literário Internacional de Óbidos, xerou tal interese e expectativa que as entradas ficaron esgotadas unha semana antes do evento. | "Se são bons ou maus, diabólicos ou benignos, são questões acesamente debatidas. Estas qualidades são genericamente aceites: que são voluntariosos, caprichosos, impúdicos, que conseguem deslocar-se a grande velocidade, que alteram o seu tamanho e a sua forma e concedem muitos dos desejos de homens e mulheres mortais se assim o quiserem ou por coação se forem obrigados a fazê-lo; e que o seu sentido do tempo difere radicalmente do sentido do tempo dos seres humanos. Não devem confundir-se com anjos, embora algumas das velhas lendas erroneamente declarem que o próprio Diabo, o anjo caído Lúcifer, filho da manhã, foi o maior dos jinn. Durante muito tempo, em que locais viveriam foi também objeto de debate. Algumas histórias antigas afirmavam, o que era uma difamação, que os jinn viviam entre nós aqui na terra, no chamado «mundo de baixo», em edifícios em ruínas e em muitas zonas insalubres – lixeiras, cemitérios, latrinas, esgotos e, onde possível, em estrumeiras. Segundo essas lendas difamatórias, faríamos bem em nos lavarmos a preceito depois de qualquer contacto com um jinn. Eles são malcheirosos e portadores de doenças. No entanto, os comentadores mais eminentes há muito que afirmam o que sabemos agora ser verdade: que os jinn vivem no seu próprio mundo, separado do nosso por um véu, e que esse mundo de cima, por vezes chamado Peristão ou Terra das Fadas, é muito extenso, embora a sua natureza nos esteja ocultada." Así comeza, na tradución de Ana Saldanha editada pola D. Quixote, a tradución portuguesa de Dois anos, oito meses e vinte e oito noites, a novela que Salman Rushdie, un dos autores máis premiados da literatura contemporánea, vai presentar no Folio na próxima sexta-feira. Aos 68 anos, Rushdie é un dos escritores máis mediáticos, despois da publicación, hai 25 anos, de Versículos Satánicos, a polémica obra que lle outorgou o Whitbread Prize e a fetua de Khomeini. Rushdie é un dos máis mediáticos escritores, despois da publicación, hai 25 anos, de Versículos Satánicos, a polémica obra que lle outorgou a fetua de Khomeini Autor dunha ducia de novelas, entre elas Fillos da media noite, de incontábeis premios en Europa e América, xerou tal interese en Óbidos -unha vila a 75 quilómetros de LIsboa- que os billetes se esgotaron no fin de semana anterior á intervención, o que obrigou a procurar unha solución que permitise o acceso de máis persoas a aquela mesa, indican fontes da organización. A solución non foi difícil: consistiu en mudar a mesa que xuntará en conversa Salman Rushdie con Clara Ferreira Alves. Mudala da carpa dos autores, onde estaba inicialmente prevista, para a tenda dos concertos, aumentando a capacidade de 250 para 450 lugares. Deste xeito hoxe volveron estar á venda os billetes para o acto que terá lugar na sexta feira ás 21 horas. Organizado en cinco capítulos: Folia, Folio Autores, Folio Educa, Folio Ilustra e Folio Máis, o festival, que decorren en Óbidos até domingo, conta con cerca de 250 eventos, entre mesas de autor, exposicións, conversas, palestras, concertos, instalacións, lecturas ou performances. Celébranse, por exemplo, os 500 anos da Utopía de Thomas More, o Ano Internacional do Entendemento Global, o centenario do nacemento de Vergílio Ferreira ou os 500 anos da morte do pintor Hieronymus Bosch. |
NOS_51076 | O autor do traballo, o economista, auditor e avogado Antón Beiras Cal, interviu nunha palestra-coloquio. | "Preguntas e respostas sobre o hospital Álvaro Cunqueiro", baixo ese título decorreu a pasada quinta feira unha palestra-coloquio que tiña por obxecto apresentar o caderno A Fondo homónimo, que foi publicado cando o número 181 do semanario Sermos Galiza, o primeiro publicado após o seu redeseño. O acto tivo lugar na Libraría Andel da cidade de Vigo. Contou coa intervención do autor do texto, o economista e auditor Antón Beiras Cal, que é ademais o avogado da Asociación en defensa da sanidade pública. Beiras Cal debullou o alambicado proceso de concesión que acabou por converter en privado un hospital proxectado como público e que en 2009 contaba cunha partida orzamentaria da Xunta de Galiza. No HAC todos os servizos non clínicos fican baixo a xestión dunha concesionaria. É esa concesión, para o auditor, a xénese desde cambio de modelo. O custe da mesma supera os 1.400 millóns de euros. A denuncia diante da Comisión Europea podería resultar na anulación da concesión coa que se privatizou o novo hospital de Vigo O letrado explicou as causas que levan a promover á asociación que representa a apresentaren unha demanda diante da Comisión Europea, ao consideraren que se cometeron graves irregularidades no proceso de concesión que poderían resultar na anulación da mesma, resolvendo o contrato actual. Logo da súa exposición abriuse unha ampla quenda de coloquio, na que se formularon preguntas e comentarios por parte do público que ateigaba o local, e entre o que se atopaba o Secretario comarcal de CIG-Saúde e voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel G. Moreira, ou a deputada do BNG, Carme Adán. Novo Sermos O acto serviu tamén de posta en escena para o novo redeseño do semanario na cidade olívica. "Este A Fondo sobre o Álvaro Cunqueiro é unha demostración práctica do xornalismo comprometido coa transformación social que ten por misión Sermos Galiza" explicou Xabier P. Igrexas, secretario do Consello de administración de Sermos Galiza, quen animou a "ler, comprar e subscribirse o semanario" para asegurar a súa continuidade e "impedir que o galego volva ficar nunca máis excluído dos quiosques". |
PRAZA_21076 | Tras o desacordo que permitiu ao PP gobernar na vila tras as municipais de 2019, socialistas e Ribeiro en Común acordan que Noelia Rodríguez, que fora número catro na candidatura socialista, sexa a nova alcaldesa da vila con Paula Rodríguez, da 'marea' local, como tenente da Alcaldía. Os populares atribúeno á súa "ambición polo poder" | Nas eleccións municipais de 2019, o PP foi a candidatura máis votada en Ribadavia, co 36,8% dos votos. Non obstante, os seus 5 edís non acadaban a maioría absoluta da corporación, composta polo PSdeG como segunda forza (32,3% dos votos e 4 edís), Ribeiro en Común (21,8%, 3 edís) e BNG (8,22%, unha concelleira). Aínda que os grupos da banda esquerda da corporación sumaban unha ampla maioría absoluta, o desacordo entre socialistas e Ribeiro en Común -a marea local desbotaba apoiar que o ata daquela alcalde socialista, Ignacio Gómez, recuncase no cargo- permitiu que César Fernández, do PP, fose investido alcalde como cabeza da lista máis votada, en ausencia dunha candidatura que obtivese a absoluta.Socialistas e Ribeiro en Común acordan que Noelia Rodríguez, que fora número catro na candidatura socialista, sexa a nova alcaldesaAquel desacordo vén de virar en acordo entre PSdeG e Ribeiro en Común, que veñen de pactar unha moción de censura coa socialista Noelia Rodríguez como candidata á alcaldía. Rodríguez, número catro do PSdeG nas eleccións municipais de 2019, terá como tenente da Alcaldía a Paula Rodríguez, número dous de Ribeiro en Común nos comicios. Cos seus 7 votos, ambas formacións teñen dabondo para a aprobación da moción.Nun comunicado conxunto, PSdeG e Ribeiro en Común aseguran que deciden desbancar o alcalde do PP por "incumprir os compromisos máis fundamentais para o interese municipal" que, ao seu xuízo, derivou "nunha perda de confianza". "Non se pode -defenden no escrito da moción de censura- continuar cun goberno que, en plena crise social, está instalado en vender propaganda baleira".A xuízo de ambas formacións, o novo goberno, "o primeiro da historia de Ribadavia encabezado por mulleres", reflectirá que "a veciñanza da vila decidiu co seu voto" en 2019 "un goberno plural, progresista e de esquerdas". Ese gabinete, manteñen, substituirá un equipo do PP sen "capacidade" de "chegar a acordos cos grupos" ou de lograr investimentos para a vila.O PP atribúe a moción de censura á "ambición polo poder de socialistas e populistas" e o BNG sinala que valorará a moción de censura formulada por PSdeG e Ribeiro en Común e se pronunciará ao respectoAs "prioridades" do novo equipo, sosteñen, pasan por "crear unha comisión municipal de seguimento da COVID-19" e aprobar "uns orzamentos", toda vez que o Goberno do PP "os prometeu e nunca chegaron". Nesas contas, aseguran, van "apostar decididamente polo gasto social" e o apoio á "veciñanza máis afectada pola crise". Ambas formacións prevén facer público nos vindeiros días a súa proposta de composición completa do novo equipo, no que sitúan a Brais Fidalgo, que fora cabeza de lista de Ribeiro en Común, como voceiro. Aseguran tamén que "están abertos a novos apoios" para a moción de censura, en referencia á concelleira do BNG, Teresa Rodríguez. O Bloque, que confirma que non participou na negociación desta moción de censura, sinala que a valorará e se pronunciará ao respecto proximamente. O PP, pola súa banda, atribúe a moción de censura á "ambición polo poder" de "socialistas e populistas" e augura que Ribadavia, con esta moción de censura, irá "camiño do abismo". Mentres, indican nun comunicado, César Fernández pode esgrimir un "balance positivo da súa acción de goberno". |
NOS_32920 | Con motivo do Día Internacional das Cidades, a organización ambientalista Greenpeace demanda urbes "a medida das persoas e non dos coches" e sinala Pontevedra como exemplo a seguir. | Con motivo do Día Internacional das Cidades, a organización ambientalista Greenpeace demanda urbes "a medida das persoas e non dos coches" e sinala Pontevedra como exemplo a seguir. Así, presentou o documental REinventando Pontevedra. Segundo informou a asociación ecoloxista, en "pleno debate" sobre a falta de ambición para establecer Zonas de Baixas Emisións (ZBE) nas urbes do Estado español, destacou esta cidade, "a única galega que cumprirá o requisito de implantar o seu ZBE a tempo", por levar dúas décadas traballando en reducir o tráfico nas súas rúas. Os atropelos caeron a cero Así, destacou que desde entón Pontevedra rexistrou "unha importante redución" das emisións contaminantes e os atropelos mortais "caéron a cero". Un estudo constata a mala calidade do aire e os altos niveis de contaminación acústica na cidade de Vigo Desta forma, o documental recolleu os testemuños de diferentes persoas que viron como evolucionou a cidade na cal o "peón é o protagonista absoluto". "Os datos do 'Modelo Pontevedra' chamaron a atención a nivel internacional e xa se está replicando noutras cidades da súa contorna, como Vilagarcía de Arousa", sinalou Greenpeace. As consecuencias do quecemento serán máis graves e antes do esperado "Repensar o modelo urbanístico" Con todo, Greepeace lembrou que no Estado español "máis da metade da poboación" vive en cidades que son responsables de 70% das emisións. Uns datos, din, que "urxen a repensar" sobre o impacto que o modelo urbanístico, enerxético e alimentario provoca sobre o clima e a biodiversidade. |
NOS_52403 | A oposición dalgúns que foron aliados únese ao acoso de vellos adversarios para deixar ao presidente do Deportivo nunha situación crítica que acende alarmas ante as dificultades para alcanzar un acordo con Facenda e os bancos | Sensacións contrapostas rodean ao Deportivo uns vinte días despois do seu descenso a Segunda División. Se por unha banda a afección branquiazul volveu responder con extrema fidelidade e xa son 14.000 @s persoas que renovaron o seu abono para a vindeira tempada, pola outra crecen as sombras arredor da viabilidade do club, afogado polas débedas e á cuxa fronte -malia o concurso de acredores- continúa Augusto César Lendoiro, cada vez máis só na súa xestión. Aos inimigos habituais do presidente deportivista sumáronselle nos últimos días antigos aliados de Lendoiro como o seu sucesor xurídico e boa parte das peñas Aos inimigos habituais do presidente deportivista, como algúns poderes da cidade encabezados pola La Voz de Galicia, se lle sumaron nos últimos días -nun ton ben distinto- antigos aliados de Lendoiro, como o seu asesor xurídico e boa parte das peñas. Nunha entrevista publicada polo diario DxT Campeón, o avogado Germán Rodríguez Conchado acusou ao presidente -co que traballou man a man durante anos- de aproveitar o club para enchufar familiares e gañar cartos e pediu que deixara o cargo e fose substituído "por un dirixente de transición durante dous ou tres anos". Así mesmo, nunha enquisa do mesmo xornal realizada entre diversas claques branquiazuis, a maioría delas recoñece o traballo efectuado por Lendoiro durante o cuarto de século que leva ocupando a presidencia do Deportivo, pero consideran que xa é o momento de que facilite un relevo. "Pasou a súa época", afirman @s seareir@s deportivistas. O deportivismo comeza a percibir ao dirixente como un obstáculo para acadar un acordo coa Axencia Tributaria, NGB e Banco Gallego O rexeitamento á actual xestión de Lendoiro centra tamén boa parte do debate entre o deportivismo, que comeza a percibir ao dirixente como un obstáculo para acadar un acordo cos principais acredores da entidade, que son a Axencia Tributaria, Novagalicia Banco e o Banco Gallego. Tamén estes últimos poderían estar recibindo "recomendacións" por parte de elites da cidade para que supediten o trato e polo tanto a supervivencia do club branquiazul á saída do presidente, segundo se comenta en diversos foros. En todo caso, a enorme débeda e a complicada situación deportiva, que ten en Lendoiro a un dos principais responsábeis, estenden a idea de que a actual etapa podería estar chegando á fin. Está por ver que vén despois. |
NOS_56137 | A editorial Chan da Pólvora vén de publicar unha emotiva xoia de entendemento entre John Berger e Anne Michaels. | A editorial Chan da Pólvora vén de publicar unha emotiva xoia de entendemento entre John Berger e Anne Michaels, na que, páxina a páxina e lembranza a lembranza, debullan un relato sentido das súas impresións arredor dos ferrocarrís. Trocando miradas, ideas e voces, andando polas beiravías das estacións ou subindo aos vagóns, ambos os dous escritores amorean como un tesouro os sons e as cores da memoria. Neste intercambio, Berger, aberto sempre ao decorrer dos tempos, refírese a esa escrita "que medrou a carón das vías férreas" construída con "palabras dun bote de spray", a mesma que ás veces nace como graffitis políticos ou berros de amores e desamores, e outras moitas, desgraciadamente, como borranchos sen mensaxe, que só feren o patrimonio. Fai pouco, no interior dun vagón do metro londiniense, apareceu unha pintada que atinaba a interpretar cuns debuxos figurativos, nidios e sinxelos, a praga do coronavirus. Os protagonistas eran uns ratos que enredaban coa mascara mentres viaxaban ao carón dos pasaxeiros na súa rutina diaria. Os responsábeis do metro déronse presa en facer desaparecer aquel refugallo de rebeldía, ficando con aquel acto de esparexemento artístico. Pouco despois, cando o estrago non tiña remedio, Banksy facía pública a autoría cun vídeo no que se aprecian as pegadas da intervención: entrando no metro, embozado nun traxe protector e armado con aerosois e patróns varios, e xa en camiño, rápido e áxil, rematando a obra con suficiente tempo para non pór en perigo o seu anonimato. Non é a primeira vez que o inglés se involucra con situacións solidarias. O mural de Bristol ou o cadro dun neno xogando cunha moneca vestida de enfermeira, que o rapaz prefire como heroína, son outros exemplos do seu compromiso en tempos de pandemia. Coñecidas son igualmente as actuacións na zona de Gaza, relativas ao conflito palestino, ou na sala Bataclán en París. Banksy traballa co concepto clásico de "imitación da natureza", proxectando a vida dos que sofren, creando non só momentos de "beleza feliz", senón dando a cara por dramas individuais e colectivos, coa intención sempre de deixar indicios das traxedias da época. Antes que Banksy, o americano Keith Haring fixo da creación en murais de todo o mundo a súa loita particular contra o sida. A enfermidade, a pobreza ou as drogas servíronlle de pretexto para a reivindicación desde a pintura. Nos anos 80 levou a cabo nun barrio marxinal de Barcelona un gran mural coa frase Todos juntos podemos parar el sida, recuperado máis tarde polo Macba. Ben sabía Berger que a historia tense necesariamente que contar hoxe desde os graffitis artísticos, desde esas obras nas paredes, que tamén forman parte xa da paisaxe de Vigo, Carballo, Ordes, Cambre ou Ferrol. |
NOS_2867 | A Comisión Europea inclúe a Galiza na lista de territorios que se beneficiarán das axudas do Fondo para a Transición Xusta. | Finalmente Galiza estará entre os territorios beneficiarios do Fondo para a Transición Xusta co que a Comisión Europea busca apoiar aos territorios máis dependentes dos combustíbeis fósiles na súa transición climática. Xunto con Galiza, beneficiaranse das axudas comunitarias territorios como Asturias, León, Palencia, Teruel, Almería, Córdoba e Cádiz. No caso da Galiza, o mecanismo, que debería comezar a andar en 2021 co obxectivo de descarbonizar a economía da Unión Europe e axudar na consecución dos obxectivos comunitarios de redución de emisións de CO2, permitiría contrarrestar os efectos do feche das centrais térmicas de Endesa nas Pontes e a de Meirama de Naturgy, no concello de Cerceda. Con todo, a proposta da Comisión, que inclúe 100 rexións en todo o bloque, está suxeita á dotación que finamente teña o Fondo para a Transición Xusta para o período comprendido entre 2021 e 2027. O orzamento final depende das negociacións entre as líderes dos Vintesete e nas que tamén deben quedar fixados os fondos para a PAC e as Política de Cohesión, entre outros. Pendente do orzamento A proposta de Bruxelas pasa por que o fondo conte cunha dotación para sete anos de 7.500 millóns de euros. Ao Estado español corresponderían 307 millóns segundo este reparto, no que Polonia é o maior beneficiado con 2.000 millóns. Séguenlle Alemaña, con 877 millóns de euros; Romanía, con 757 millóns; República Checa, con 581 millóns; Bulgaria, con 458 millóns; Francia, con 402 millóns; Italia, con 364 millóns; e o Estado español, con 307 millóns. Fechan a lista coas partidas máis reducidas Malta, con 8 millóns, e Luxemburgo, con 4 millóns. Bruxelas pretende que o fondo mobilice uns 100.000 millóns de euros entre investimentos públicos e privados para apoiar os territorios máis dependentes dos combustíbeis fósiles. |
NOS_36519 | O de Moaña engrosa a longa lista de aldraxes de España a astros galegos, como Fran, Acuña ou Pahíño. | A exclusión na convocatoria da Eurocopa dun dos mellores dianteiros da actualidade no conxunto do continente europeo representa un novo episodio no extenso serial de desplantes da selección española de fútbol contra os xogadores galegos. Hai apenas un mes, Iago Aspas laiábase nunha entrevista a Radio Marca de "non ter a continuidade coa selección que me gustaría, dados os méritos que fixen". Eses logros, indiscutíbeis, sitúano á altura de figuras como Messi, Ronaldo, Kane, Lewandowski, Salah e Suárez, os únicos homes xunto co galego que anotaron 14 ou máis goles nas seis últimas tempadas. Nesta 2020/21, ademais de ser o segundo máximo goleador con pasaporte español tamén foi o máximo asistente do campionato. A súa situación retrotrae ao acontecido nos anos 90 e os primeiros 2000 cun dos mellores xogadores do seu tempo e a última grande estrela xurdida da canteira galega até a irrupción do propio Aspas, o deportivista Fran. Con apenas 16 partidos internacionais disputados no seu historial entre 1993 e o ano 2000 -dous menos que o de Moaña-, o talentoso volante branquiazul viuse sistematicamente marxinado das convocatorias de Javier Clemente e, en menor medida, das de José Antonio Camacho, até o punto de que anos despois da súa retirada recoñecería ter a sensación de merecer "ido moito máis". Problemas no franquismo Pahíño e Acuña teñen moitas cousas en común. Ambos son dous dos mellores xogadores galegos de todos os tempos, naceron con apenas 23 días de diferenza no ano 1923 e chegaron a coincidir, sendo xa veteranos, no Deportivo na tempada 1953/54. Ademais, a pesar de ser o mellor porteiro e un dos mellores dianteiros da década dos 40, ningún tivo un amplo percorrido internacional, disputando tan só un e tres partidos coa selección española, respectivamente. No caso concreto de Acuña, parecía que o seu momento chegaría no Mundial de Brasil '50, mais en pleno aeroporto escoitou o seleccionador berrar "as maletas que as cargue o galego!", ao que respondeu cun "as maletas que as cargue a túa p*** nai!", o que o sentenciou a ollos de Eizaguirre. Excluído por rir na cara do fascismo: o castigado xesto de rebeldía de Pahíño Manuel Fernández 'Pahíño' medrou como futbolista nos tempos da posguerra, unha época na que o fútbol, como o resto da vida pública, estaba totalmente intoxicado polos tentáculos do réxime. Esa é a razón detrás da cal un home que durante anos foi a maior estrela de todo un Real Madrid, e que anotou máis de 200 goles ao longo dunha carreira que se estendeu 15 tempadas, tan só foi internacional en tres ocasións. En 1948, Pahíño, que xa tiña certa "mala fama" por evitar pronunciarse politicamente e por ler en público libros de autores rusos como Tolstoi e Dostoyewski ou do americano Hemingway, sacrificou a súa carreira na selección cando non puido evitar debuxar no seu rostro un retranqueiro sorriso ante a arenga na que un xeneral coruñés e veterano da guerra civil española e da División Azul, Mariano Gómez-Zamalloa, esixía dos futbolistas "collóns e españolía" antes dun partido ante Suíza en 1948. Esta é a razón pola que a Federación lle fixo a cruz a un home que, como el mesmo dicía, "gozaba do peor dos amores, o amor propio". |
NOS_56100 | A última proposta do empresariado non garante o poder adquisitivo e non remata coa fenda salarial, critican CIG, CCOO e UXT, convocantes do paro. | Os sindicatos maioritarios no sector das conservas de peixe -CIG, CCOO e UGT- acordaron convocar tres xornadas de folga en defensa do convenio colectivo estatal para os vindeiros días 21 de xaneiro e 3 e 4 de febreiro. Denuncian que a última proposta da patronal non garante o poder adquisitivo dos cadros de persoal e non remata coa fenda salarial entre mulleres e homes. Segundo explican dende a FGAMT-CIG do Salnés, a decisión foi adoptada tras comprobar que as achegas do empresariado na última xuntanza celebrada este día 27 non recollen as principais reivindicacións das persoas traballadoras do sector. Diante disto, as centrais máis representativas optaron por convocar tres días de folga de 24 horas. Nesa reunión a patronal propuxo un incremento salarial do 2,30% para 2021, do 3% para 2022, do 2% para 2023 e do 0,50% para 2024, subida que a CIG considera insuficiente xa que non se garante o poder adquisitivo ao non contemplar unha revisión conforme ao IPC nin o cobro de atrasos. En canto á equiparación salarial dos grupos 5 e 6, pasouse de non contemplar ningunha subida adicional para a categoría de auxiliar a unha nova proposta de incremento adicional dun 0,2%. Para a CIG segue a ser insuficiente porque non remata coa fenda salarial entre as categorías ocupadas maioritariamente por mulleres (produción) e as dos homes (oficios varios). No que ten que ver coa xornada, a patronal desiste da súa intención de ampliar a xornada de segundas feiras a domingo e tamén retira a proposta de que até un 75% do persoal puidera traballar os sábados até as 14:00 horas. Ademais, aceptou a proposta da CIG de eliminar que a non utilización dos EPI sexa considerada falta moi grave. Tras a proposta da CIG de que o persoal teña unha licenza para acompañamento ao médico de crianzas e persoas maiores a cargo, a patronal accedeu a que as 16 horas médicas actuais se poidan usar tamén para este fin. Mais a central sindical insiste na necesidade de ampliar o tempo de acompañamento, así como que as licenzas teñen que comezar a computarse ao seguinte día laborábel ao feito causante. |
NOS_35640 | O sistema sanitario galego non deixou de perder camas hospitalarias e prazas de Unidade de Coidados Intensivos(UCI) na última década. | Malia que a maioría das investigacións ligan a calidade e a eficiencia do modelo asistencial ao mantemento dunhas determinadas proporcións nestas variábeis, a Xunta da Galiza optou por recortar a cobertura de camas hospitalarias e de prazas de UCI. Así as cousas, un recente informe do Instituto Galego de Estatística(IGE) sinala que na última década deixaron de funcionar na Galiza 952 camas hospitalarias. O sistema galego de saúde perdeu 782 camas hospitalarias desde 1999. Segundo os dados achegados polo Instituto Galego de Estatística(IGE), á volta dese ano, Galiza tiña instaladas 10.640 camas na súa rede hospitalaria, unha cifra que en 2019 situouse en 9.858. Porén, a redución deste instrumental acentuouse a partir de 2009, ano da chegada de Núñez Feixoo á presidencia da Xunta da Galiza e momento onde os hospitais do Servizo Galego de Saúde contaban con 10.434 camas. Así as cousas, en 10 anos a oferta de camas nos centros públicos recórtase en 576 prazas, o que representa o 73,65% da baixa total do período. O número de camas en funcionamento no Servizo Galego de Saúde (Sergas) é inferior en 952 prazas ao de fai unha década. Así, en 2009, o sistema publico contaba con 9.858 camas en funcionamento nos hospitais das sete das áreas sanitarias, diminuíndo esta cifra a 8.906 en 2019. Neste sentido, a Consellaría de Sanidade explica esa diferenza entre as camas suprimidas e as non operativas polas necesidades do servizo, sinalando que as necesidades destes útiles son inferiores polos novos modelos asistenciais. Porén, desde os colectivos en defensa da sanidade pública retrucan que mentres manteñen sen actividade as camas dos hospitais públicos derivan doentes á sanidade privada. Galiza en mínimos en prazas hospitalarias A proporción de camas por habitantes sitúase na Galiza por baixo da media comunitaria e dos niveis das nacións con sistemas de saúde máis desenvolvidos. Malia que Galiza presenta unha porcentaxe mellor que o Estado español, a peor de toda a Unión Europea, os seus números fican moi lonxe de todos os estándares recomendados. Así, en 2019, o Sergas declara contar con 3,3 camas por cada 1000 habitantes, fronte a 3,4 de Portugal, 4,2 de Grecia, 5,6 de Bélxica, 6 de Francia ou 8 de Alemaña. Na mesma liña, presenta unha proporción moito menor de Estados con grandes apostas en materia de saúde, como Rusia con 8,2 prazas camas por 1.000 habitantes, Cuba con 11,4 ou China con 6,4. |
NOS_22129 | A manifestación conmemorará o 176 aniversario da Revolución Galega de 1846. | A plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, Vía Galega, vén de convocar unha manifestación nacional que percorrera as rúas de Compostela o domingo 24 de abril a partir das 11.30 horas. A escolla da data non é casual. o Colectivo fai coincidir a marcha co 176 aniversario "daquel 'abril de lume e ferro', en palabras de Manuel María, en que tivo lugar un dos episodios máis importantes da historia da Galiza: a Revolución Galega de 1846 que rematou, infelizmente, o 26 de abril cos fusilamentos en Carral dos 'mártires da liberdade'". Decidir por nós mesmos é imprescindíbel para termos un desenvolvemento autocentrado, cun tecido industrial e económico ao servizo da Galiza Vía Galega, plataforma á que están adheridas 61 entidades do ámbito cultural, educativo, deportivo, social e veciñal, reivindica a loita daquel movemento que deu pé ao inicio da historia do nacionalismo "que fundamenta a súa existencia na defensa permanente dos dereitos da nación galega e na procura da súa liberación nacional". 'Somos unha nación' A manifestación decorrerá baixo o lema "Somos unha nación". "O noso dereito e vontade a ser libres, a decidir o noso futuro e a romper coa nosa dependencia colonial e opresión nacional faise máis necesario que nunca para rematar co espolio dos nosos recursos, da nosa electricidade e do aforro e co desmantelamento industrial", xustificou o colectivo na presentación da convoctoria. "Decidir por nós mesmos é imprescindíbel para termos un desenvolvemento autocentrado, cun tecido industrial e económico ao servizo da Galiza, para crear emprego de calidade, para acadar maior igualdade e benestar social, para normalizar a lingua e a cultura e para dotármonos duns servizos públicos universais, eficientes e de calidade". |
NOS_13234 | O presidente da Asemblea de Venezuela, Diosdado Cabello, anunciou a convocatoria dunha mobilización nacional en apoio ao presidente Chávez o vindeiro día 10 de xaneiro. Neste acto de masas participarán mandatarios doutros países da rexión como o presidente de Uruguay, José Mújica. | Coincidindo coa data fixada pola Constitución para a toma de posesión, o PSUV convoca un acto multitudinario en apoio ao líder bolivariano cuxo obxectivo é "que se recoñeza e respecte dunha vez e por todas a Constitución", asegurou o presidente da Asemblea e vice-presidente do PSUV, Diosdado Cabello en comparerencia de imprensa. Os últimos comunicados feitos públicos polo goberno venezolano, en que se apuntaba o empeoramento do estado de saúde de Chávez, deu pulo á ofensiva iniciada polos grupos da dereita. O último deles esta mesma terza feira da man de Henrique Capriles, gobernador do Estado de Miranda e candidato á presidencia nos comicios celebrados en outubro. A Constitución estabelece a "imposibilidade absoluta" do presidente en causas taxativas como a morte, a renuncia ou a incapacidade mental ou física determinada polo Tribunal Supremo Capriles, instou ao goberno de Venezuela a aclarar se Hugo Chávez tomará ou non posesión o vindeiro día 10. "Eu non sei por que lles custa tanto falar coa verdade", aseveraba o líder opositor, argüíndo que a Constitución do país "está para pór límites ao poder, non para darlle máis a quen xa o ten". O gobernador de Miranda afirmou que segundo o disposto no texto constitucional a toma de posesión debe ser celebrada a vindeira quinta feira, porén, continúa o artigo 231 ao que se referiu Capriles, de non ser posíbel, o presidente adoptará as súas funcións perante o Tribunal Supremo. Malia a todo, Henrique Capriles respondíase a si propio afirmando que "se o 10 de xaneiro o presidente non pode tomar posesión, non quere dicir que deixe de ser presidente". Como xa avanzaba nas últimas semanas este medio, a Constitución Venezolana fixa a folla de rota perante unha imposibilidade absoluta ou mesmo falecemento do presidente, pola cal deberían ser convocadas novas eleccións. No entanto, para se producir este feito, a Carta Magna estabelece unha serie de condicións taxativas que imposibiliten de facto ao mandatario, como son, a morte, a renuncia, a incapacidade física ou mental debidamente ditaminada polo Tribunal Supremo ou a existencia dun referendo revocatorio. En troca, o presidente re-eleito, Hugo Chávez continúa exercendo o permiso que lle foi concedido --unanimemente-- pol@s representantes do poder lexislativo, para recibir o tratamento médico necesario en Cuba, o que desbota a existencia dun suposto baleiro de poder. Representantes internacionais amosan o seu apoio a ChávezA complexidade do momento, en grande medida motivada polas incertidumes espalladas desde os grupos mediáticos e a oposición, están a situar a Venezuela no epicentro da política internacional e son moit@s @s mandatari@s que quixeron amosar o seu apoio ao carácter constitucional de Venezuela e ao seu presidente participando dos actos que se están a organizar para o vindeiro día 10. Neste senso, xa anunciaron a súa asistencia o ministro ecuatoriano de Relacións Exteriores, Ricardo Patiño e o presidente do Urugay, José Mújica. Dilma Rousseff enviou á Habana unha delegación gobernamental para se interesar pola saúde do líder bolivariano Pola súa banda, a presidenta do Brasil, Dilma Rousseff enviou nos últimos días unha delegación gobernamental á Habana para se interesar polo estado de saúde do líder bolivariano e transmitir o seu apoio. Rousseff consolida así unha relación bilateral con Venezuela re-lanzada após a incorporación deste país ao Mercosur, logo da saída do Paraguay tras o golpe de Estado levado a cabo polo 'colorado' Federico Franco. Con esta gran mobilización popular, o PSUV procurará amosar internacionalmente a súa unidade --malia os rumores que apuntaban cara a unha loita de poder interna entre Cabello e Maduro-- así como o recoñecemento rexional da lexitimidade e constitucionalidade do goberno de Venezuela. |
NOS_53650 | Un poeta como Cesáreo Sánchez Iglesias (Dadín-Irixo, 1951), que bebe da Divina Comedia, dos clásicos gregos e da poesía chinesa e xaponesa, e tamén de Jorge Luís Borges e Jorge Guillén, de Luís Pimentel e Álvaro Cunqueiro, de Juan Ramón Jiménez e José Ángel Valente, e que, ademais, dedica moitos anos á elaboración de cada un dos seus libros, non é estraño que sexa autor dun canto poético no que non sempre é doado internarse | Porque unha parte moi importante da súa poesía é, certamente, un inmenso mar aberto, de navegación longa, que exixe un esforzo extraordinario de lectura e que demanda, así mesmo, unha certa cultura para a súa cabal comprensión. A árvore das sete palavras / Cesáreo Sánchez Iglesias / Sotelo Blanco / 1990 / 154 páxinas Hoxe debrúzamonos ante un poeta que na súa traxectoria literaria, desde 1978 até hoxe, explorou múltiples camiños, camiños que fixo indo e vindo, que nos levan a xeografías remotas e ás nosas propias raíces -sempre en constante diálogo-, que o poeta transita mirando para fóra e cara a dentro de si, nunha perfecta simbiose entre o social e o íntimo, e conxugando permanentemente o seu profundo sentido espiritual da vida e a súa procura da beleza coa denuncia política, a contemplación e a mirada coa meditación e a reflexión crítica. Entre os tres ou catro libros que nós máis amamos de Cesáreo Sánchez Iglesias está A árvore das sete palavras, o primeiro dos seus grandes poemarios de longo alento. De arquitectura descomunal, de composición oceánica, como logo serán O paraíso das sombras, o Caderno do Nilo ou As bolboretas de Mekong, un deses libros, en definitiva, polos que un poeta entra pola porta grande da historia da literatura sen necesidade de escribir un só verso máis. A árvore das sete palavras é unha viaxe de retorno ao país, á infancia, á casa natal e á tenrura, unha reflexión diante do cosmos e da historia, con múltiples referencias bíblicas e mitolóxicas e cunha forte presenza simbólica e onírica. Outra posíbel interpretación do poemario pode ser o nacemento de Galiza á súa historia a través dos mitos, o que nos leva a recordar aquí que unha boa parte da obra de Cesáreo Sánchez Iglesias está pensada e elaborada sobre o territorio da investigación cultural e histórica, que é outra das súas paixóns. "Soñei O País da Beleza / O país da tenrura o País da Árvore da Palabra / O Bosque da Infancia […] / Aquela noite deitei-me cedo / eu tamén quería ir a Carcasona". Velaquí un dos nosos grandes poemas unitarios, onde a pesar do seu ton narrativo, a riqueza imaxinativa e a enorme potencia lírica do texto céganos en cada verso coa súa inmensa beleza: "Soñei que unha outra ave branca entrava no meu corpo / borrando memoria ou cinza de soños". Oh, meu camarada Cesáreo, canta marabilla neste poemario! |
NOS_3835 | A Orgaccmm urxe unha lexislación que estea ao servizo do pobo galego. | A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (Orgaccmm) convocou para este sábado, 15 de outubro, unha mobilización en Santiago de Compostela para defender o seu proxecto de lei de montes veciñais. Esta iniciativa lexislativa popular (ILP) recolle, entre outras cuestións, "frear o roubo dos nosos montes", segundo indica a organización, desde a que denuncian a pretensión do Goberno galego de privatizar os montes veciñais. Xosé Alfredo Pereira, presidente da Orgaccmm: "Pretenden roubar o monte ás persoas comuneiras" A presentación da convocatoria da protesta, levouse a cabo nunha rolda de prensa esta terza feira en Compostela na que o presidente da Orgaccmm, Xosé Alfredo Pereira, expuxo os motivos da mobilización. O obxectivo principal é "a defensa do monte do man común" así como "acadar no Parlamento galego unha lei de montes veciñais ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade galega", explica Pereira a Nós Diario. "Isto é continuación da loita que está levando adiante a veciñanza comuneira para impedir o roubo dos montes veciñais, unha loita que se iniciou a principios de ano coa recollida de sinaturas para levar adiante a ILP", que xa foi entregada con 12.000 sinaturas no Parlamento. Pereira indica que é posíbel que esta lei se tramite en novembro. Comuneiros manifestaranse o sábado en Compostela contra a "privatización" dos montes veciñais O responsábel da Orgaccmm denuncia na rolda de prensa que a Consellaría de Medio Rural está elaborando, "de forma escura e antidemocrática", unha modificación da actual lei. Tamén critica que para a súa elaboración non se teña en conta a opinión das comunidades de montes. Así, informa a este xornal de que a mobilización do sábado busca "amosarlle á Consellaría que a veciñanza comuneira non está polo labor de que se lle roube o monte comunal". Ademais da reivindicación da ILP, a Orgaccmm tamén pretende protestar pola "privatización do monte que pretende o PP galego desde que retomou o poder na Xunta en 2009". A privatización do monte provocaría o tráfico de comercio e a posibilidade de vender e comprar as terras comunais, di Pereira. Para isto, a modificación da lei que está a elaborar a Xunta levaría consigo tres "graves consecuencias": "Aos intereses que representa o PP o monte en man común moléstalles" En primeiro lugar, permitiría "dotar o monte de persoas xurídicas" e que "entrasen sectores capitalistas e especulativos que non entenden que as terras estean xestionadas democraticamente pola veciñanza comuneira". En segundo lugar, suporía "volver a definir o concepto de veciño e veciña comuneira" pois a Xunta busca que tamén conten con esta denominación as persoas físicas e xurídicas relacionadas dalgunha forma co monte; é dicir, "accionistas de celulosa, de empresas mineiras e telefónicas, de Fenosa ou das eólicas serían comuneiros e, polo tanto, terían a capacidade de decidir que facer coas terras", sostén Pereira. A terceira modificación provocaría que todos aqueles alugueres, servidumes e contratos con máis de 50 anos, deixen sen capacidade as comunidades de montes para poder recuperar a xestión das súas terras. "Isto implica perder a memoria histórica de que naquel lugar existiu algún día monte veciñal en man común", advirte Pereira. Concentración ante o Parlamento denuncia a "expropiación encuberta" dos montes en mancomún Por todo isto, Pereira sostén que "a historia do monte veciñal é a historia da resistencia da veciñanza comuneira e do pobo galego" polo que prevé que a mobilización do sábado sexa masiva. A ILP recolle garantir "a capacidade de decisión da veciñanza" Un cuarto do territorio galego, arredor de 700.000 hectáreas, equivale a monte mancomunal, segundo apunta Xosé Alfredo Pereira. A figura do monte veciñal na Galiza resulta así moi relevante. É por isto polo que a ILP da Orgaccmm contempla o recoñecemento do monte veciñal como unha titularidade máis, distinta e en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas. Os montes veciñais en mancomún do Morrazo rexeitan o parque eólico Entre outras cuestións, tamén recolle que se reforce o carácter xermánico dos montes veciñais en man común; que se considere a veciñanza como único requisito para ser titular destas terras comunitarias; que se impida todo tipo de expropiación dos montes veciñais; que se considere como aproveitamentos e usos dos montes veciñais todos os que se estean a realizar nos mesmos e que se garanta a capacidade de decisión da veciñanza comuneira. |
NOS_39388 | Pasan os anos e a situación non se resolve. Os sucesivos orzamentos do Estado consignan partidas, pero non as executan. O BNG volveu este sábado esixir o "saneamento integral da ría do Burgo. Fíxoo a súa eurodeputada Ana Miranda, que a visitou acompañada do seu colega letón Miroslavs Mitrafanovs, da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. | "Seis anos despois da visita á ría dunha delegación internacional de eurodeputados e eurodeputadas", expón a organización nacionalista nun comunicado, "a contaminación na ría persiste e a acumulación de lodos segue a ser un problema sen resolver". Miranda e Mitrafanovs reuníronse co presidente e integrante da Confraría da Coruña e con mariscadoras. Outros membros do Bloque, como o candidato á alcaldía da Coruña Francisco Jorquera, tamén estiveron presentes. "Hai fondos europeos para o dragado. O que non hai é vontade política para acometelo", afirmou Ana Miranda, que reclamou de Xunta e Goberno central "o saneamento integral da ría do Burgo". O pasado 21 de xaneiro, lembrou a eurodeputada nacionalista, a Comisión de Peticións decidiu manter aberta a petición da Confraría de Pescadores despois de analizar a información achegada. "Non pode haber escusas", dixo, e criticou que gobernos estatal e galego "prefiran pagar as multas que impón a Unión Europea a sanear as rías". Mitrafanovs afirmou que nas reunións da Comisión de Peticións dirá "que comprobei in situ a existencia de lodos, xa que esta petición está a ser estudada". O letón estrañouse de que as administracións "non teñan interese en sanear as rías e mellorar a calidade das augas". |
NOS_35393 | O pleno municipal serviu para a toma de posesión de Telmo Ucha como edil de Democracia Ourensá (DO) no sitio de Mario González, que abandonou o posto hai semanas por desencontros co alcalde. Ucha alineouse con Gonzalo Pérez Jácome e lonxe dos concelleiros críticos. | A sesión plenaria da corporación municipal de Ourense decorreu conforme ao previsto. A agardada toma de posesión de Telmo Ucha como concelleiro de Democracia Ourensá (DO), en substitución do dimitido Mario González, serviu para confirmar a decisión do novo edil de manterse a carón de Gonzalo Pérez Jácome, con quen xa partillou escano e, mesmo, un coñecido incidente con membros da policía local. Ucha, nas súas primeiras palabras, sinalou a vontade de traballar "con absoluta lealdade ao alcalde", cualificou a decisión como "profundamente meditada, sen entrar en cuestións de partido" e manifestou a vontade de contribuír ao desbloqueo da situación política na cidade. A xuntanza serviu para sacar a cara máis autoritaria de Jácome e certificar a necesidade dun acordo ideoloxicamente transversal para desaloxalo da alcaldía. O rexedor, que chamou de maneira reiterada á orde ao portavoz de Ciudadanos, José Araujo, e que retirou a palabra ao voceiro do BNG, Luis Seara, cando reclamou un cambio de posición do PP para favorecer unha mudanza no Goberno, amosou, máis unha vez, a intención de manterse á fronte do Executivo. Ao tempo, o retorno de Ucha á corporación coloca DO con tres concelleiros, polo que impide unha moción de censura subscrita exclusivamente polo PP, Ciudadanos e os concelleiros críticos do partido de Jácome, ao non sumar os 14 votos necesarios para que prospere. A corporación reuniuse após unhas declaracións do presidente dos populares ourensáns, José Manuel Baltar, en que considerou a posibilidade de apoiar unha moción de censura para promover un relevo na alcaldía. "Temos un alcalde sen Goberno, ao que no último pleno 24 de 26 concelleiros pediron a súa dimisión. Non sei se transcorreu tempo suficiente para que o reconsiderase, pero parece que a única posibilidade legal é unha moción de censura", afirmou Baltar, quen deixou en mans dos concelleiros do partido en Ourense, na liña do expresado días pasados por Alberto Núñez Feixoo, as conversas co resto das forzas para concretala. A oposición criticou ao PP as súas contradición. Neste sentido, as formacións políticas lamentaron que os edís populares non ficasen ao final do pleno a unha xuntanza convocada polo portavoz nacionalista, Luís Seara, para darlle continuidade ao diálogo comezado a pasada semana entre PSOE, BNG e C'S e avanzar no proceso de relevo da alcaldía. Así, Seara recoñeceu a Nós Diario que "ao remate do pleno dirixinme a Jorge Pomar e a Flora Moure para que se sumasen ao encontro, pero rexeitárono". Unha posición que gardou similitudes coa negativa do presidente local do PP, Jesús Vázquez, de acudir á reunión que decorreu a pasada semana no Liceo de Ourense polo conxunto da oposición. A situación de parálise do Goberno estase deixando notar estes días na cidade, precisamente nun momento onde a pandemia volve dispararse. A este respecto, diversos colectivos sociais e profesionais teñen criticado o labor do Executivo, salientando as protestas dos autónomos e dos libreiros. Así, os primeiros denuncian que as axudas municipais aprobadas para paliar as consecuencias do coronavirus seguen sen chegar, malia o tempo transcorrido desde o seu anuncio. Pola súa banda, os libreiros protestan polo retraso do concello nos pagos das axudas para material escolar, que está a afogar varios negocios da cidade. |
NOS_47064 | A cantora, compositora e intérprete brasileira Maria Bethania vén de ser recoñecida co título de doutora honoris causa pola Universidade Federal da Bahia (UFBA). | Maria Bethania recibiu o título doutora honoris causa da UFBA, recoñecemento que propuxo a Facultade de Arquitectura e Belas Artes, Teatro, Danza e Música, que este ano fai a mesma idade que a homenaxeada: 70 anos. Na cerimonia en que se lle outorgou o recoñecemento, citáronse os principais proxectos de Bethania, discos, premios e galardóns en todo o mundo, así como a conexión da artista coa lingua portuguesa e coa poesía. Entre outras consideracións, apuntouse que Bethania "é dona de maxistrais interpretacións musicais e textuais" e presentouse como "unha das maiores cantoras que o Brasil viu xurdir". O reitor da UFBA, , João Carlos Salles, puxo de manifesto a alegría pola entrega do título a Bethania, en medio do "momento difícil en que vivimos, sobre todo politicamente". "Bethania expresa esa vitalidade da cultura baiana e eu penso que iso foi recoñecido coa súa forza de intérprete, coa súa forza de creadora", engadiu. "Imaxina, recibir o título de doutora honoris causa, nunca pasou pola miña cabeza, mais foi emocionante" A homenaxeada, que deixa a súa voz e a súa poesía como dous bens patrimoniais inmateriais do Brasil, dixo sentirse "conmovida" polo recoñecemento da universidade. "Imaxina, recibir o título de doutora honoris causa, nunca pasou pola miña cabeza, mais foi emocionante. Estou moi emocionada, moi feliz. Foi unha novidade na miña vida. Fiquei moi, moi feliz", sinalou, en declaracións á prensa. Bethania participou de espectáculos teatrais e musicais que lanzaron a súa voz potente e singular alén do Brasil. A súa carreira popularizouse en 1965, cando substituíu a cantora Nara Leão no espetáculo Opinião, no Rio de Janeiro, ao lado de Zé Keti e João do Vale. A calidade da súa interpretación de Carcará, de João do Vale, deulle eco en todo o mundo. Tamén ligada á poesía, impulsou un libro cos poemas dos seus poetas preferidos, entre eles Fernando Pessoa e Castro Alves. |
NOS_19429 | As reclamacións do pobo sidama levaron o pasado mes de xullo á mobilización militar na zona por parte do Goberno central. Aquelas revoltas acabaron con ducias de mortos. | O reconto de votos por parte dos funcionarios do organismo electoral de Etiopía mantense esta quinta feira, 20 de novembro, despois do referendo que tivo lugar na cuarta na rexión de Sidama. O resultado definitivo agárdase para esta sexta. «O proceso de votación finalizou completamente en paz, sen que as forzas de seguridade nos informasen de ningún incidente», sinalou Soleyana Shimeles, portavoz da Xunta Electoral nacional aos medios internacionais. En xogo está que Sidama obteña un estatuto de autonomía que o converta nun Estado máis dentro da Etiopía federal. A consulta pretende calmar as tensións étnicas existentes dentro do país, un reto para o recentemente galardoado co premio Nobel da Paz, o primeiro ministro etíope, Abiy Ahmed. As reclamacións autonomistas do pobo sidama levaron o pasado mes de xullo á mobilización militar na zona por parte do Goberno central. Aquelas revoltas acabaron con ducias de mortos. |
NOS_53388 | O paro no servizo de recollida de lixo continúa, após unha semana. Traballador@s e comité de folga presentaron denuncia na Fiscalía contra o concello, Tragsa, a policía local e os bombeiros. | Unha semana de paro entre o plantel de Urbaser en Lugo deu para moito. Após anunciaren unha folga de carácter indefinido por mor da conxelación salarial que padecen @s traballador@s desde 2011, 10 empregad@s foron despedid@s e o comité de folga ao completo foi sancionado. Mais a cousa non ficou aí. O Concello de Lugo non quixo que os medios de comunicación, nen a veciñanza nen moito menos @s turistas que se achegaron até a cidade esta fin de semana visen o conflito e o lixo acumulado nas rúas polo que decidiu contratar a Tragsa para que retirase as bolsas e contedores. Para alén disto, o responsábel de Urbaser atropelou co seu vehículo a unha sindicalista de UXT que rematou no hospital froito das lesións. Esta segunda feira, a representante sindical anunciou que a cantidade que lle sexa retribuída pola súa baixa laboral irá destinada a sufragar os custes económicos que está a ter o paro entre as traballadoras e traballadores de Urbaser. Un plantel que presentou tamén denuncia perante a Fiscalía pola "vulneración" que supón "do dereito a folga" as últimas decisións adoptadas polo Concello de Lugo. A denuncia presentada diríxese contra a administración local, a empresá pública Tragsa, a Policía, os Bombeiros e "todos os particulares" que nestes días retiraron o lixo da cidade. Así o anunciou a representante do comité de empresa, Carmen Antas (CIG), á saída dos Xulgados. Policía e Tragsa recollendo o lixo E é que con motivo do Arde Lucus, o goberno de Orozco apurou en contratar os servizos de Tragsa para recoller os desperdicios que se acumulaban na cidade amurallada. Para iso, a policía e os bombeiros acompañaron @s camións e mesmo algunha que outra persoa empregou o seu vehículo para transportar o lixo a concellos limítrofes. Tragsa retirou os desperdicios en 8 puntos da cidade e non unicamente nos 3 que Sanidade coidou prexudiciais para a saúde A empresa contratada polo concello tiña por obxecto, dixeron, retirar o lixo dos puntos sinalados por Sanidade como prexudiciais para a saúde pública, mais estes eran 3 e non 8 como finalmente aconteceu. Desde o comité denuncian que os desperdicios retirados coincidían con hoteis, supermercados e administracións públicas. A decisión do goberno local veuse a sumar ao decreto de servizos mínimos imposto @s traballador@s e que obrigaba o plantel a cumprir un 100% dos mesmos. Algo "abusivo", sinalaron desde o comité de folga que finalmente foi expedientado na súa totalidade. Após unha semana de folga, o plantel de Urbaser mantén --por unanimidade-- o paro con carácter indefinido e rexeita volver ao traballo ou negociar se non son readmitid@s @s 10 traballador@s despedid@s. Porén, o alcalde de Lugo, José López Orozco, ameazou con rachar o contrato que adxudica o servizo a Urbaser embora el propio recoñecer que sería "difícil". |
NOS_34101 | Comezan os actos do XX aniversario da Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas coa homenaxe a tres compañías históricas. | Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas, organiza no marco das actividades de conmemoración do seu víxesimo aniversario, un acto de recoñecemento de socias de honra da entidade. A vindeira sexta feira retomará esta actividade -iniciada en 2020- coa xuntanza de representantes das súas compañías socias e o círculo máis achegado das novas socias de honra para render tributo á súa traxectoria. Ancora Producións, Tanxarina -aínda a pleno rendemento- e Lagarta, Lagarta son as produtoras seleccionadas, desta volta, pola Xunta Directiva como Socias de Honra. A traxectoria das tres compañías está vencellada ao arranque de Escena Galega como asociación sectorial, que actualmente aglutina a máis de medio cento de produtoras de escénicas. A traxectoria das tres compañías está vencellada ao arranque de Escena Galega Desde Escena Galega sinalan, a través dun comunicado, que "as tres verán recoñecida a súa traxectoria profesional e importancia para o desenvolvemento do sistema escénico galego contemporáneo, o seu traballo en prol do sector e dentro do seo da Asociación, aínda que dúas non continúen co seu labor na actualidade". A entidade anunciou a principios deste mes unha nova directiva presidida por Santiago Cortegoso (Ibuprofeno Teatro) e a incorporación de tres novas compañías. Vixésimo aniversario da entidade Esta é a primeira das actividades programadas no marco das previstas para a celebración do vixésimo aniversario de Escena Galega. A asociación constituíuse o 20 de marzo de 2002 por iniciativa de 16 compañías de teatro, entre elas as asociadas actuais Teatro do Noroeste, Teatro de Ningures, Sarabela e Talía Teatro. Naquel momento rexistrouse co nome de Asociación de Compañías Profesionais de Teatro da Galiza (Asciprotega), pasando en 2007 a usar a denominación actual Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega) "Vinte anos despois quérese lembrar a traxectoria destas dúas décadas da asociación recoñecendo a tres novas compañías como Socias de honra", aseguran, "un recoñecemento que en febreiro de 2020 comezamos nomeando a Teatro do Atlántico, Teatro do Noroeste e Teatro do Morcego, e que non realizamos en 2021", conclúen. |
NOS_43972 | A formación nacionalista sobe unha décima porcentual en relación a 0,5% que lle daba o barómetro de setembro. | O Barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente ao mes de outubro outorga unha estimación do voto de 0,6% ao BNG ante unhas posíbeis eleccións xerais. A formación nacionalista sobe neste apartado unha décima porcentual en relación a 0,5% que lle daba o barómetro de setembro, un incremento de 20%. CIS de maio: o PP segue a recortar distancias co PSOE e o BNG garante a representación no Congreso En clave estatal, o CIS eleva 3,5 puntos a estimación de voto do PSOE até chegar a 32,7%, a súa cota máis alta da lexislatura, e volve situar os socialistas na cabeza, agora cunha vantaxe de catro puntos sobre o PP, que queda en 28,7%. En terceira posición repite Unidas Podemos con 12,7%, mentres que Vox afunde e baixa dos dous díxitos por primeira vez na lexislatura, conseguindo só 8,8%. Ciudadanos segue por baixo de 3% (2,7% exactamente). Barómetro do CIS: Baixada de PSOE e PP, suba do BNG Ao preguntar ás persoas enquisadas a que partido votarían se as eleccións tivesen lugar ao día seguinte, o que se coñece como 'voto directo', un 23,8% xa adiantaba a súa intención de apoiar o PSOE, fronte a un 22,1% que ten decidido votar o PP. Se a iso se lle engade as simpatías mostradas polos enquisados noutra pregunta, a diferenza entre os dous grandes partidos duplícase até os 3,6 puntos, con 27,4% para o PSOE e 23,8% para o PP. Valoración de dirixentes estatais A valoración de dirixentes estatais volve estar encabezada por Yolanda Díaz, de Unidas Podemos, cunha nota media de 4,71 puntos. A segunda praza é para o presidente do Goberno español e dirixente socialista Pedro Sánchez, que con 4,47 puntos logra superar o 'popular' Alberto Núñez Feixoo, que queda cun 4,42. O barómetro do CIS ratifica a tendencia á alza do BNG, agora nunhas eleccións estatais Sánchez repite como o preferido para presidir o Goberno español, cun respaldo de 22,9% fronte a un 17,4% que menciona Feixoo e un 9,7% que cita Yolanda Díaz. O presidente do Executivo estatal conta coa confianza de 31,5% dos enquisados fronte a 67% que recea del, niveis similares aos de Núñez Feixoo: 28,2% confía nel e 68,4% di ter pouca ou ningunha confianza. |
NOS_11702 | A nova formación política, coas siglas PCRG, realizou esta fin de semana o seu Congreso Constituínte. | Esta fin de semana constituíuse formalmente o Partido Comunista pola República Galega (PCRG). A través dun comunicado nas redes sociais explican as liñas de traballo aprobadas no seu Congreso Constituínte no que participaron máis de 100 persoas. Desde o PCRG sinalan que o seu primeiro Comité Central traballará para "unir a todos os comunistas de Galiza nun só Partido, fomentando a organización dos elementos máis avanzados e combativos da nosa clase, así como a coordinación, colaboración e cohesión práctica e teórica entre os destacamentos xa organizados actualmente existentes" engadindo que estarán dispostos a renunciar "se fose preciso ás nosas siglas pola Unidade orgánica proletaria e revolucionaria". O eido sindical, afirman que procurarán "traballar pola Central Sindical Única Galega e, mentres tanto, implicarse nas centrais sindicais existentes para coordinar aos elementos máis conscientes e combativos, e fomentar un sindicalismo nacional, de clase, non pactista, combativo, asembleario e non sometido a lóxicas alleas ao movemento obreiro". Mocidade e feminismo En relación á mocidade, aseguran querer "reconstruír un movemento estudantil popular, democrático , republicano e asembleario, capaz de ter un programa avanzado e ser hexemónico á vez". Ademais, indican que reforzarán "teórica e practicamente o movemento de emancipación da muller, fomentando a formación interna ao respecto, a propaganda específica dirixida ás mulleres traballadoras e a promoción da militancia e da organización entre elas". Por este motivo cren necesario fomentar "cadros de mulleres nas organizacións obreiras e populares, así como no propio Partido". Relacións internacionais e loita pola amnistía O PCRG indica que impulsará "as relacións internacionais, tanto cos estados socialistas e populares que resisten ao imperialismo, como coas organizacións e movementos obreiros, revolucionarios e insurxentes de todo o mundo " coa idea de "promocionar, tamén, as organizacións de solidariedade internacionalista do noso país". Por último, afirman que manterán a "solidariedade anti-represiva con todas as persoas encausadas pola súa participación nas loitas obreiras e democráticas e cos presos políticos" e loitarán "pola amnistía e contra os corpos represivos". No eido organizativo fomentarán "a formación teórica constante da militancia mediante lecturas, charlas e seminarios obrigatorios" e no exterior participarán "en todas as frontes de batalla e de intervención, e con todos os métodos de combate que aconselle a situación da loita de clases en cada momento". A totalidade dos relatorios e a dirección proposta foron aprobados con 121 votos a favor, ningunha abstención e ningún voto en contra. O PCRG nace após as diferenzas que se deron nos últimos meses na Frente Popular Galega (FPG). |
NOS_42189 | O campo de batalla está agora máis nas redes do que nos mitins ou nos platós de televisión. Os community manager toman o mando. Para comezar o do Bloque desvela quen tivo a idea de adiantar as eleccións galegas. E non, non foi Urkullu. | Se nun grupo de Whatsapp reunimos Luís Bárcenas, Feijóo, Marcial Dorado, Alfonso Rueda e Baltar jr, daí pode saír calquer cousa, mesmo a chave de por que se decidiu pór as eleccións o 25S. Pasen e vexan: IMPORTANTE. Desvelámosche como se adiantaron as eleccións Galegas. pic.twitter.com/QucTMaxXro— BNG (@obloque) 29 de agosto de 2016 O community manager do PP contra-ataca: Dramatización da precampaña do resto de partidos. Ata onde chega a nosa imaxinación, pois probablemente foi peor. pic.twitter.com/Cocrq0fTny— PP de Galicia (@ppdegalicia) 29 de agosto de 2016 Claro que nas últimas horas o asunto estrela no twitter foi o parecido entre o logo de En Marea e o dunha marca de cervexa madrileña. Como cabía agardar, houbo quen ergueu a voz para dicer que xa postos, mellor a cervexa galega: Eu quédome coa estrela @estrellagalicia melhor que @mahou_es e @En_Marea #sucursalismos pic.twitter.com/qMH0nPjNaU— xose maria torné * (@xmtorne) 29 de agosto de 2016 Sobre este tema, un dos referentes do twitter galego, @Tawil, apostilaba o seguinte: Não critiquedes que o logo de En Marea seja cópia do de Mahou. A outra opção q lhes deixavam desde Madríd era pior. pic.twitter.com/9Ra3xc6PAB— TODO MAL (@Tawil) 29 de agosto de 2016 Mais tamén hai quen terciou para asegurar que de parecido, nada. Cuñaos de twitter, o novo logo de @En_Marea é unha tipografía neohumanística, e o de Mahou unha Gótica. Nada q ver— Marcos Dopico (@marcosdopico) 29 de agosto de 2016 To be continued. |
NOS_22477 | O cinema brasileiro non é prolixo na creación de longametraxes de animación. Quizais por iso ten dobre mérito que un filme escrito, debuxado, dirixido e montado por unha soa persoa fose nomeado ao Óscar a Mellor Longametraxe de Animación no mesmo ano no que gañou a extraordinaria Do revés, de Disney-Pixar. | Unha soa persoa fronte a toda unha industria de facer cartos. David contra Goliat; só que, desta volta, venceu Goliat... Un símil que encaixa á perfección co fondo argumental d'O meniño e o mundo. O meniño e o mundo | 2013 | Brasil | Alê Abreu | 80 minutos Trátase dun filme con apenas diálogos e, os que hai, son inintelixíbeis. Optouse porque as frases fosen en portugués, pero ditas ao revés de maneira premeditada para recalcar o incomprensíbel do mundo a ollos do neno protagonista. Un neno que xoga, investiga e é feliz nunha granxa xunto aos seus pais, nesa idade onde todo é descubrimento e aprendizaxe... Mais todo cambia cando o seu pai marcha do fogar. O neno non comprende nada e parte na procura do seu proxenitor. Na viaxe explorará un mundo adulto onde semella que a xente vive para traballar en lugar de traballar para vivir. Os debuxos están na liña dos do coruñés Alberto Vázquez (Psiconautas, os nenos esquecidos), aínda que menos sombríos, e tamén se aprecian reminiscencias pictóricas do surrealismo e do expresionismo de artistas como Kandinsky, Klee, Miró ou Lowry. Un fascinante despregue de cores, formas e composición. Entre tanta cor hai un mundo gris: o dos adultos. Abreu afonda na industrialización do campo, na contaminación, na deshumanización, na explotación laboral, na deforestación e nos lumes (que tanto incomodan ao negacionista Bolsonaro), e faino a través dunha empresa recolledora de algodón, onde homes e mulleres alienados traballan en xornadas maratonianas, marchan en bus para a casa e volven ao día seguinte traballar de novo nun deprimente bucle sen fin. Mais a música é un bálsamo que consegue pintar de cores novamente ese lenzo en branco no que se desenvolven as aventuras do meniño. A música como acuarela. Que boa metáfora. Bonita, comprometida, imaxinativa e nada pretensiosa. Cuns debuxos naíf e moi poucos trazos consegue transmitir gran cantidade de sentimentos e sensacións: ledicia, curiosidade, cariño, ansiedade, ausencia, desesperanza... Simplicidade ao máximo, pero poliédrica e complexa ao mesmo tempo. Unha oda ao espírito infantil que todos e todas levamos dentro, concentrada en pouco máis dunha hora de pura beleza conceptual e plástica non carente de compromiso co medio ambiente, o rural e a loita de clases. |
PRAZA_13665 | Dende hai máis de dous meses, o número 160 do Paseo da Castellana ten un inquilino moi especial. Chámase Ángel Vadillo e é o rexedor socialista de Alburquerque (Badaxoz). Hai uns meses decidiu non quedar de brazos cruzados ante a aprobación dun Real Decreto que elimina as primas ás enerxías renovables | Dende hai máis de dous meses, o número 160 do Paseo da Castellana ten un inquilino moi especial. Chámase Ángel Vadillo e é o rexedor socialista de Alburquerque (Badaxoz). Hai uns meses, decidiu non quedar de brazos cruzados ante a aprobación dun Real Decreto que elimina as primas ás enerxías renovables, e que supón a paralización dun proxecto de termosolares na súa comarca, cun 40% de paro, que frea a creación de oitocentos postos de traballo directos. Chegou a Madrid tras unha marcha a pé de 630 quilómetros o pasado mes de abril, e tras permanecer ás portas do Ministerio de Industria dende entón, hai 21 días decidiu poñerse en folga de fame. Chegou a Madrid tras unha marcha a pé de 630 quilómetros o pasado mes de abril, e tras permanecer ás portas do Ministerio de Industria dende entón, hai 21 días decidiu poñerse en folga de fame A fin de semana pasada tiven a oportunidadede coñecelo. Recibiume cun sorriso e unha mirada serena, propia de alguén que sabe que está a facer o correcto. A verdade é que esperaba encontrarme un home canso e débil, pero equivoqueime: a súa axilidade, vitalidade e forza son asombrosas. Angel Vadillo sorprendeume por moitos motivos, pero un deles foi o feito de que a súa loita é por moito máis que a paralización dun proxecto. El é un defensor aférrimo dun cambio de modelo enerxético, da substitución das tecnoloxías contaminantes polas enerxías limpas, e da idea de que o medio ambiente debe deixar de ser considerado unha "maría" e empezar a ser o eixe das políticas deste país. Nestes dous meses gañou o afecto dos funcionarios, que todas as mañás se concentran con él ás portas do Ministerio para mostrarlle o seu apoio; d@s policías locais, c@s que mantén unha estreita relación, porque aínda que xa o multaron en varias ocasións por ocupación da vía pública, como ben di él "son traballador@s, e nada teñen que ver el@s coas decisións que toman os de arriba"; d@s membros do 15 M; de organizacións ecoloxistas, sindicatos, partidos políticos... E é que abondan tan só uns minutos con el para decatarse de que este home desborda dignidade, coherencia, valentía e un compromiso social capaz de cautivar a calquera. É un defensor aférrimo dun cambio de modelo enerxético, da substitución das tecnoloxías contaminantes polas enerxías limpas, e da idea de que o medio ambiente debe ser o eixe das políticas deste país Os únicos que parecen non valorar a súa loita son o Ministro Cañete e os demais membros do Goberno, que actúan coa indiferenza e prepotencia propias daqueles que deixaron pasar para quedar nos seus despachos, os tentáculos das grandes compañías eléctricas. Mentres este Goberno segue sen decatarse de que desta crise só sairemos pola senda dunha economía máis sostible e unha aposta clara polas enerxías renovables, ás portas do Ministerio de Industria hai un Alcalde socialista disposto a chegar ata onde faga falta polo futuro do seu pobo, e a calidade de vida de tod@s nós. #TodosconAngelVadillo |
NOS_31181 | Segundo os datos proporcionados polas consellerías de Sanidade e de Política Social, a cifra de persoas usuarias afectadas pasa das 249 do parte do domingo a 225. | Os usuarios e usuarias de residencias de maiores galegas contaxiados por COVID-19 diminuíron este luns até os 225, tras a curación de 22 internos de Orpea Coruña, en Culleredo. Con iso, segundo os datos proporcionados polas consellerías de Sanidade e de Política Social, a cifra de persoas usuarias afectadas pasa das 249 do parte do domingo a 225. Ademais de retirar do cómputo 22 maiores que xa deron negativo nas probas PCR, na última xornada rexistráronse dous falecementos vinculados a residencias, un usuario da DomusVi Lugo, de Outeiro de Rei, e outra da Orpea Coruña. Pola súa banda, a última actualización de afectados tamén resta un positivo entre os traballadores e traballadoras de residencias de anciáns, o dun empregado da Orpea Coruña, que pasa a non ter ningún traballador ou traballadora afectado. En conxunto, os centros residenciais con máis maiores contaxiados continúan sendo a DomusVi Lugo, de Outeiro de Rei, con 133, a residencia do Incio, con 58, e o fogar residencial El Pinar, de Culleredo, con 21, o tres intervidas pola Xunta de Galicia. Tamén teñen persoas contaxiadas a residencia Ballesol de Oleiros (6), a DomusVi Lalín (2) e as das Salinas de Ourense, Castro Ribeiras de Lea e Arteixo, cun usuario afectado cada unha. A residencia Orpea A Coruña, que até este domingo era a terceira en número de casos na Galiza, mantén só dous casos activos entre os seus maiores. Persoal das residencias Con respecto aos traballadores e traballadoras dos centros xeriátricos, baixan até 97 -un menos- os casos de coronavirus activos, tras a negativización do único empregado afectado na residencia Orpea Coruña. Así, o cadro con máis casos segue sendo a do Incio, con 35 traballadores e traballadoras contaxiados; seguida por DomusVi de Outeiro, con 24 casos; e El Pinar de Culleredo, con sete. En DomusVi Lalín hai tres casos; e en Ballesol Oleiros, Volta do Castro, San Simón, Victoria de Teo, Nosa Señora do Socorro de Arnoia, Doral Residencias de Mos, e CRAPD I de Vigo, hai dous casos en cada unha. A eles súmase un caso nos cadros de cada un destes centros: Residencia de Oleiros, DomusVi Noia, Porta do Camiño, A Milagrosa (Lugo), San Bartolomeu de Xove, A Saleta de Cea, DomusVi Barra de Miño, Residencia Santiago Apóstolo de Vilamarín, Fogar Residencial Vilar de Barrio, residencia de Campolongo, CRAPD II de Vigo, Alvi-Beade de Vigo, A nosa Señora da Saúde da Peroxa e a residencia Santa Marta de Vigo. Centros de discapacidade En canto aos centros de discapacidade, mantéñense en 37 os contaxios entre os seus usuarios: un na Residencia de Adultos Pai Menni de Betanzos (A Coruña) e 37 na residencia Ricardo Baró de Aspronaga, en Oleiros (A Coruña). Tamén hai 15 traballadores con Covid en diferentes centros. A maiores, hai un empregado con coronavirus no centro Juan Vidán Torres de Santiago, outro na residencia para persoas con dano cerebral de Castro de Rei e outro no CAPD de Chapela-Redondela. |
NOS_42407 | O derradeiro recurso do PSOE de Monterroso para gañar as eleccións do pasado 26 de maio non funcionou. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) emitiu un ditame esta cuarta feira en que mantén a nulidade do voto reclamado polos socialistas e, así, dá a vitoria a Independentes. O resultado electoral final é de 799 fronte a 798 votos. | O litixio posterior ao 26 de maio foi rocambolesco. A cidadanía monterrosina decidiu un insólito reparto electoral: un edil para Compromiso por Galicia, tres para o PP e outros sete a repartir entre PSdeG e Independentes -encabezados polo que fora alcalde socialista da vila ulloá durante 16 anos, Antonio Gato-, que obtiveron 798 sufraxios cada un. Nese intre comezaron as reclamacións. PSOE e Independentes solicitaron a validez dun sufraxio cada un. A Xunta Electoral de Zona, en Chantada, admitiu o segundo e non o primeiro. Os socialistas elevaron a súa queixa á Xunta Electoral Central, que tampouco a aceptou. O Tribunal Superior ratifica agora este proceso e mantén a nulidade dese disputado voto, que puido levar a decisión pola cuarta cadeira a un inaudito sorteo con moeda. Mais non. O alto tribunal, na sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo, rexeitou o recurso dos socialistas para que a papeleta declarada nula "fose validade ao seu favor" e declarou "a validez da elección e da proclamación de electos realizada". No pleno monterrosino haberá así catro cadeiras para independentes, tres para o PSdeG, tres para o PP e un para Compromiso por Galicia. A constitución da corporación e, por extensión, da Deputación de Lugo -paralizada pola situación de Monterroso-, será o 5 de xullo. Porén, non todas incógnitas da vila están resoltas. Porque os pactos e apoios que precisos para conformar goberno local non están en absoluto claros. A candidatura de Independentes, integrada por ex militantes socialistas e liderada por un histórico do partido, Antonio Gato, manifestou a súa querenza por un acordo co PP. Esta organización dista de consideralo axeitado. Non parece tampouco probábel unha avinza entre PSOE e populares e menos aínda entre socialistas e Independentes. Daquela, o executivo de Monterroso segue no aire. |
PRAZA_15659 | Os 10,7 quilómetros discorren entre Requejo (León) e A Veiga de Cascallá, no Concello de Rubiá, a través de dez viadutos e tres túneles. O concurso valora principalmente o abaratamento da obra. A A-76 ameaza a Ribeira Sacra e o seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade. | O Ministerio de Fomento vén de sacar a licitación o treito máis complexo -e un dos máis polémicos- da autovía A-76, un total de 10,7 quilómetros entre a localidade leonesa de Requejo e A Veiga de Cascallá, no Concello de Rubiá. O BOE publicou este martes o anuncio. O percorrido atravesa a Serra de Enciña da Lastra, un espazo moi valioso e que está en parte protexido grazas á súa consideración como parque natural, tamén cruza o río Sil e en total inclúe dez viadutos e tres túneles. A velocidade media prevista será de 80 quilómetros por hora. As obras terán un custe aproximado de 223 millóns de euros. O concurso valora principalmente o abaratamento da obra (os criterios económicos pesan o 70% da valoración final e os técnicos o 30%). O proxecto licitado sitúase entre os dous que xa están sendo redactados: A Veiga de Cascallá-O Barco e Villamartín de la Abadía-Requejo. A A-76 entre Ponferrada e Ourense ten un custe estimado de 1.221 millóns de euros para 125 quilómetros e foi moi criticada por atravesar espazos naturais moi ricos, coma a Ribeira Sacra, poñendo en perigo o seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade. Este treito en concreto recibiu importantes críticas polo dano que provocará na Serra de Enciña da Lastra e, de feito, a propia Xunta de Galicia pediu a modifización do trazado en 2010 (con goberno do PSOE en Madrid), para evitala. Entidades como Amigos da Terra ou ADEGA tamén presentaron alegacións, lembrando o valor natural desta zona. Hai, ademais, alternativas que terían un impacto moi inferior, coma os proxectos de levar esta vía máis ao sur, seguindo o actual trazado da N-536. A este respecto, Amigos da Terra lembra que o treito que Fomento vén de sacar a licitación pode provocar "destrozos irreparables nun terreo calcáreo, con covas protexidas". Ademais destacan que "condicionará a paisaxe para sempre" e lembran que "o espazo protexido da Lastra está en vía de ampliación". Sinalan, igualmente, que neste lugar "xa hai unha vía de alta capacidade", en referencia á N-120. Pola súa banda, ADEGA subliña que o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra é "a zona de maior biodiversidade tanto animal como vexetal de todo o territorio galego". |
NOS_35632 | A AP9 subirá as peaxes, continúa acumulando beneficios, é a autoestrada no Estado que máis queixas acumula e o debate sobre a súa transferencia a Galiza esmoreceu de vez por mor do veto do goberno español. | A infraestrutura terrestre máis importante de Galiza, a vía que conecta de norte a sur a fachada atlántica do país e que nestas décadas foi o eixo sobre o que pivota a liña de boa parte da poboación e economía galega, non deixa de dar motivos para o cabreo. AP-9 leva recadado en peaxes desde a súa apertura máis de 2.200 millóns de euros e xerou máis de 750 millóns de euros de beneficio, polo que está abondo amortizada. Cada día a concesionaria recada uns 300.000 euros en peaxes. Agora, vénse de coñecer que a partir do 1 de xaneiro vai aplicar unhas subas extraordinarias permitidas polo Ministerio de Fomento e de por volta de 3,1%. Cóntao La Voz de Galicia, que indica que a suba é para anmortizar obras e descontos. A Autoestrada do Atlántico manténdose no podio das máis caras no Estado español. Isto, ademais, prodúcese nun marco no que con apenas 80 persoas empregadas no seu cadro de persoal –a que menos ten no Estado-, o beneficio obtido superou o ano pasado os 45 millóns de euros. Un de cada tres euros que recada son beneficios. Para completar a fotografía, desde 2013 é a autoestrada que máis queixas acumula no Estado, 215 só en 2015, segundo informa o Faro de Vigo. Todo isto, mentres o debate sobre a titularidade desta infrastrutura e o seu resgate esmoreceu por mor do veto do goberno español. En Marea xa anunciou este domingo que preguntarán no Parlamento "por que permite a suba de tarifas de Audasa se os beneficios da empresa non deixan de medrar e AP-9 ofrece o peor servizo das autopistas do estado". Ana Pontón (BNG) xa expresou o sábado nas redes sociais a súa preocupación e malestar ao se coñecer a nova suba que aplicará Audasa |
NOS_69 | A celebración de Eurovisión en Israel, programada para maio, está a erguer unha vaga global de indignación. Colectivos de todo o mundo entenden o evento como un xeito de apoiar as políticas colonias israelís en Palestina. Galiza non fica á marxe deste movemento e o vindeiro 3 de abril, en Compostela, organiza o seu acto de rexeitamento. | Baixo a palabra de orde Eurovisión. Artwashing Apartheid [A arte lava o apartheid], limpeza étnica e xenocidio, o apartado galego de BDS (Boicot, Desivestimentos e Sancións] e a ONG Pallasos en Rebeldía convocan un serán de concertos, clown e intervencións o 3 de abril a partir das 20.30 horas no Teatro Principal da capital. Presentado pola actriz Isabel Risco e polo músico e escritor Xurxo Souto, no acto participarán músicas como Mónica de Nut, Jásper Nao, Somdolilá ou Alba María e Queco Díaz. Haberá performance da man de Zeltia Irevire e Neves Seara. O Mago Teto fará maxia. Jano Costas, Check Point Clown e Culturactiva Producións oferecrán espectáculos entre o pallaso e o circo. E proxectarase o documental Gaza. A entrada do Artwashing Apartheid é de balde. No mesmo colaboran, amais das entidades organizadoras, a Fundación Araguaney e o Concello de Compostela. |
NOS_45784 | Un informe elaborado por profesores da Universidade de Vigo destaca a necesidade de implementar unha fiscalidade verde que favoreza á descarbonización da economía. | "Temos que actuar xa e de forma intensa para favorecer a transición enerxética". Así de categórico se amosa Xavier Labandeira, catedrático de Economía da Universidade de Vigo, que esta terza feira presentou en Madrid xunto co seu colega de universidade Alberte Gago e os profesores da UNED José Labeaga e Xiral López, o estudo promovido pola Fundación Alternativas e a Fundación Iberdrola titulado "Impuestos energético-ambientales en España: situación y propuestas eficientes y equitativas". Segundo explicou en declaracións a Sermos Galiza, o documento contempla unha serie de "elementos cruciais para a transición enerxética" en materia de fiscalidade verde, na que España está "moi atrasada pola falta de actuacións durante décadas". Entre as medidas que contempla para favorecer o cambio cara unha economía máis limpa están a equiparación do impostos do diésel ó da gasolina, o que se traduciría en 2.500 millóns máis de recadación por ano, unha cantidade que podería elevarse até os 10.000 no caso de que esas taxas se elevasen ao mesmo nivel que teñen en países do noso entorno como Francia Italia ou Reino Unido. O transporte é o gran cabalo de batalla para reducir as emisións. De feito tamén propoñen un imposto sobre os billetes de avión. "Neste caso facelo sobre o queroseno sería moi complexo polos distintos acordos entre países", apunta Labandeira. O terceiro eixo serían a descarbonización do sector enerxético, o segundo tras o transporte que máis contribúe as emisións de gases de efecto invernadoiro, para o que propoñen establecer o solo fiscal de carbono, que consiste na introdución dun imposto sobre os combustibles fósiles utilizados para xerar electricidade, adicional ao prezo dos dereitos de emisión. Máis palos para as centrais galegas Neste senso, explica que centrais como as de As Pontes ou Meirama "veríanse perxudicadas", pero aclara que o fin neste caso non é recadatorio, senón incentivar a introdución de novas tecnoloxías menos contaminantes. "Non facer nada pode traer moitas desgrazas despois", advirte o catedrático, quen ve como na Galiza sectores que podían terse adaptado "chegan ao shock" "Estes cambios son procesos longos e precisan de políticas firmes que vaian orientando ao sector empresarial e aos cidadáns cara e necesidade do cambio" "De non poñelos en marcha os custos potenciais poden dispararse", alerta. Medidas compensatorias Para evitar os efectos que a suba podería ter nas familias, Labandeira e os seus compañeiros propoñen unha serie de compensacións que se cubrirían con parte do recadado e que se materializarían, por exemplo en paquetes económicos para a renovación da flota de vehículos que axudaran a "expulsar" aos máis contaminantes; redución de impostos sobre o traballo, ou cheques para familias por debaixo de determinados umbrais. No caso das enerxéticas, con plan para o fomento das renovábeis. Segundo o propio Labandeira, estas propostas tiveron moi boa acollida na xornada celebrada en Madrid. Entende que o Goberno que saia das próximas eleccións debería tomar nota delas "independientemente da cor", xa que este cambio "non ten ideoloxía". "É un tema que hai que retomar", conclúe. |
NOS_41847 | O Parlamento deste arquipélago do pacífico baixo soberanía francesa ten que decidir, por maioría cualificada e antes de 2018, se organiza un referendo de independencia. | As forzas independentistas atinxiron nas eleccións de Nova Caledonia 25 d@s 54 deputad@s que compoñen o Parlamento deste arquipélago do Océano Pacífico baixo administración da República francesa, segundo informa Nationalia. Dous máis dos que tiñan até o de agora e a tres de ter a maioría absoluta e gañar eleccións. Pola súa banda, o bloque unionista gañou os comicios, obtendo 29 escanos, dous menos que os que acadara en 2009. Neste bloque, a organización máis votada foi a autonomista Caledonia Unida (15 deputad@s), contraria á independencia mais partidario dun alto grau de autogoberno para este arquipélago de 230.000 habitantes, Dentro das forzas partidarias da independencia Unión Caledonia foi a que máis representantes conseguiu, 9 deputad@s. Outros 6 foron para a Fronte de Liberación Nacional Canac e Socialista (FLNKS) e tres para outras formacións. Referendo Os comicios do domingo realizáronse baixo un feito importante: O Congreso saínte dos votos dos e das caledonias ten que se poñer de acordo para organizar un referendo de autodeterminación en Nova Caledonia, tal e como se prevé no Acordo de Nouméa (1998) antes do 2018. De non se poñer o parlamento caledonia de acordo nesta cuestión (cun consenso do 60% dos seus membros), o goberno de París podería unilateralmente convocar a consulta. A poboación deste arquipélago está conformada nun 45% polos canacos autóctonos, un 37% por habitantes de orixe europea e o resto por polinesios, vietnamitas, indonesios e chineses. |
NOS_26462 | O Estado solicita ao administrador concursal que prime as ofertas que garantan o máximo número de empregos. | Dúas empresas veñen de mostrar interese pola planta de Alu Ibérica na Coruña, segundo confirmaron desde o Ministerio de Industria e desde o comité tras a reunión celebrada na terza feira con presenza estatal e galega e tamén do administrador concursal, alén dos sindicatos, entre outros axentes. Nun comunicado, o Goberno estatal reitera o seu "compromiso" na procura de solucións para manter a planta e confirma que se produciron contactos con dúas empresas que mostraron interese pola planta. Tamén explica que solicitou ao administrador concursal "primar as ofertas que maximicen a salvagarda dos postos de traballo". O Ministerio de Industria afirma que buscará unha empresa de recolocación para o persoal que poida ficar fóra dos posíbeis contratos que faga o futuro investidor e reitera a súa disposición para "colaborar e apoiar cos elementos financeiros dispoñíbeis os investimentos produtivos que se poidan expor para o mantemento das capacidades industriais e o emprego". Tamén pide a "colaboración" da Xunta para que o proceso de mantemento das capacidades produtivas da planta da Coruña "chegue a boa fin". Prazo até o 10 de maio Desde o comité, o seu presidente, Juan Carlos López Corbacho, explica que por parte do administardor concursal trasladouse a súa vontade de manter a planta "o tempo que puidese", pero que se non había unha solución tería que "liquidar" a planta, fixando como prazo máximo o 10 de maio. Por parte da representación sindical requiríronse a Industria "solucións" para activar a planta "cando antes". Tamén pediron que se avale calquera saída "onde se manteña o persoal e o maior número posíbel". "O Ministerio ten que apoiar proxectos de futuro, achegando investimento", dixeron reclamando o mesmo á Xunta para que estes cheguen a bo termo. Os contactos entre administracións, administrador concursal e sindicatos proseguirán, segundo avanza o comité, a vindeira semana. |
NOS_40806 | Actos nas sete cidades nunha xornada marcada polos protocolos derivados da seguridade fronte á Covid-19 mais que mantivo o pulso reivindicativo e de compromiso. | "Nin unha pandemia fai que renunciemos ao Día da Patria", manifestou o secretario nacional de Galiza Nova, Paulo Ríos 'Kai', na Quintana, perante un público con máscara e sentando en ringleiras. Mais foi un Día da patria diferente. As normas e obrigas de distancia de seguridade, máscara, redución de aforo... obrigou a reformular unha xornada que este 2020 fai 100 anos. "Cen anos de loita pola soberanía do pobo galego", como lembrou Iria Carreira, tamén na Quintana, nova deputada nacionalista. O BNG apostou por un 25-X "expansivo", con actos nas sete cidades e que se conectaron a través de streaming para seguir o discurso da portavoz nacional, Ana Pontón. Centos de persoas tomaron parte nos diferentes actos, nos que estivo presente o ánimo inxectado polos bos resultados do 12-X para o nacionalismo. Mais, como apuntou Ana Pontón na intervención, "O 12-X non é un punto de chegada, é un punto de partida. Non nos conformamos, traballaremos para que por primeira vez na historia haxa un goberno do BNG". Un 25 de xullo en Compostela era tamén un punto de encontro para miles de nacionalistas e independentistas que, procedentes de toda Galiza, atopábanse nesa xornada na capital galega nun ambiente de reivindicación e festa. A manifestación, tomar os viños, o xantar no Campus Sur, o ambiente do Festigal... Mais este ano de condicionantes derivados da pandemia iso non puido ser. O Día da Patria, iso si, mantivo o pulo reivindicativo da existencia da Galiza como nación, máis aínda nunha xornada tamén marcada pola presenza na capital de Felipe VI. "Galiza non ten rei" figuraba en cartaces, faixas e camisolas. ""Por moito incenso e botafumeiro que lle boten, non var dar tapado o cheiro a podremia da casa real", sinalou Pontón. A manifestación, saída da Alameda e chegada á Quintana, foi rápida, polo que este ano si que non se escoitou o tradicional "aínda están saíndo da Alameda" co que desde o palco se sinalaba aos manifestantes que enchían a praza que a mobilización era multitudinaria. "A nova Galiza xa está en marcha", principiou Ana Pontón a súa intervención, seguida desde as sete cidades galegas. Defendeu o naionalismo como "a defensa de vivir e traballar aquí", unha idea "rebelde" que aposta polo propio país, polo "entusiasmo por Galiza". "Estou contenta pola capacidade do BNG para reaxir. Somos unha organización áxil, con capacidade de resposta, pero sen renunciar aos nosos principios. Estou orgullosa de ser unha militante máis desta gran organización", manifestou. Comprometeuse a "traballar duro" para que na Galiza haxa un Goberno nacionalista que sexa quen de defender os intereses do país no camiño dunha "Galiza próspera, con traballo, con igualdade". "Temos que conseguir pasar do conformismo á ilusión por unha Galiza mellor. Temos que sumar máis galegas e galegos. Dirixámonos con sorriso e man tendida a todas aquelas persoas que queren un futuro mellor para o noso país", remarcou. O Himno galego puxo o ramo ao acto nas sete cidades, así como os berros de "Galiza ceibe, poder popular". Este ano a Covid-19 estragou toda a tradición labrada nestas décadas de convivencia pos manifestación. Mais non o sentido propio do Día da Patria Galega. |
NOS_41475 | Coa enerxía do Día da nosa lingua e das nosas letras sae do prelo máis un número do semanario. As agresións ao galego que a Xunta consente cando non as executa, o custo das empresas con paraísos fiscais, os 40 anos de loita do pobo saharaui pola súa liberdade, unha conversa co profesor Freixeiro Mato e unha Rosalía pequeniña son algúns dos contidos que che ofrecemos. Lembra: podes mercalo na nosa loxa! | Camiñando cara aos 50 números en papel detémonos esta semana no número 47, recén saído do prelo. Na semana da nosa lingua e das nosas letras, arrincamos cunha reportaxe central repasando as agresións máis rechamantes a un dos máis prezados símbolos de identidade que temos, o galego. Veñan de onde veñan, as labazadas á nosa lingua está amparadas sempre pola Xunta de Galiza, sendo as administracións públicas as primeiras responsábeis en garantir o noso dereito a vivirmos neste idioma non só un día ao ano senón cada hora das nosas vidas. A conclusión é clara: definitivamente, queren cortarnos a lingua. O presidente da Asociación pola defensa da ría, Antón Masa, repasa nun artigo de opinión a corrupción ambiental amparada e impulsada polo PP en Pontevedra. Na crónica política damos conta do nerviosismo de Feijóo perante a reclamación por parte da oposición dos contratos que faltan asinados pola Xunta con empresas do narco Marcial Dorado. Acurralado, amaga con levar deputad@s aos tribunais por o poñeren contra as cordas. Pasamos unha noite pechad@s coas persoas estafadas por Novagalicia Banco coa comercialización de preferentes... e coa policía: o alcalde da Coruña pon @s manifestantes baixo vixilancia continuada. E saímos de viaxe ao paraíso (fiscal). Queres saber canto nos custan á cidadanía as empresas galegas que teñen sociedades en enclaves off-shore coa finalidade de eludir impostos? Dámosche todos os dados deste asunto e tamén das cifras que moven ao ano os cinco portos galegos que dependen do Estado e que non deixan beneficio ningún no noso País. Os despedimentos de Gas Natural na Coruña ao deslocar a atención telefónica a unha empresa de Catalunya e o desleixo da Xunta perante o inminente peche de Alstom na Galiza centran as informacións laborais deste semanario. Que foi do 15-M? Visitamos as prazas das sete cidades galegas da man de activistas que estiveron implicad@s desde que o movemento, chegado de fóra, aterrou na Galiza. Con el@s analizamos a evolución política que tivo e repasamos os atinos e mailos erros. O secuestro da nosa simboloxía nacional nos estadios de fútbol españois centra as páxinas de Deportes e as de Internacional céntranse nos 40 anos de loita por un Sáhara libre. Con García Bodaño, Luz Pozo, Helena Villar, Fernández Ferreiro, Camilo Nogueira e Neira Vilas facemos Memoria ao redor do Día das Letras e na entrevista de Cultura falamos co profesor e investigador Xosé Ramón Freixeiro Mato, que vén de publicar a Estilística da lingua galega. A crítica literaria céntrase desta volta na obra Costa do Solpor, de Xosé María Lema; e a cinematográfica repasa as escenas de Stoker, o debut nos EUA do director coreano Park Chan-wook. No novo episodio da procura colectiva polo cranio de Castelao, chega a quenda do autor galego Quico Cadaval. Que nos deparará o capítulo 7? De seguro que emocións tan intensas como as vividas no festival Reperkusión, a primeira cita no calendario da troula en que Muguruza e Manu Chao deixaron afónic@s @s milleiros de asistentes. Por derradeiro, no espazo dedicado ás crianzas medra unha Rosalía pequeniña que soñaba con ser pirata. Lembra que o semanario podes mercalo tamén sen te mover da casa, aínda que @s médic@s recomendan andar: ofrecémoscho na nosa loxa! |
NOS_55814 | Esta quinta feira o ensino está en loita contra a reforma educativa. Manifestacións percorrerán todo o país para exixir ao goberno español que retire o anteproxecto da LOMCE. Hora e lugares das mobilizacións no interior | Estudantes, profesorado e mesmo familias están chamadas a secundaren esta greve xeral no ensino contra unha reforma educativa que previsibelmente será aprobada esta sexta feira polo Consello de Ministr@s. Da nova lei non gosta ninguén para alén daqueles colectivos para os que está feita. A Igrexa e os sectores máis radicais da dereita española aplauden a nova norma deseñada polo ministro de Educación, José Ignacio Wert. Fronte a el(es) a comunidade educativa ao completo que ve na reforma "unha lei reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavorecidos da sociedade". Mais tamén é unha lei "centralizadora e sexista" que (re)produce os roles tradicionais e heteropatriarcas a través da blindaxe dos concertos económicos coas escolas que segregan por sexo. "Ao servizo da patronal" alertan desde as plataformas en defensa do ensino, a LOMCE "mercantiliza" un dereito fundamental posto en risco pola política de recortes. A convocatoria abrangue o conxunto dos territorios do Estado español. Porén na Galiza agárdanse que as mobilizacións sexan masivas ao igual que aconteceu en pasadas convocatorias, a última delas o pasado 6 de febreiro cunha folga estudantil. Hora e lugares da Plataforma galega en defensa do ensino público ÁS 11.30OURENSE: Xefatura territorialVIGO: Praza dos CabalosFERROL: Praza de España/Praza de ArmasVILAGARCÍA: Praza de GalizaPONTEVEDRA: Praza da FerreríaA CORUÑA: Praza de VigoLUGO: Praza da Horta do SeminarioBURELA: Praza da Mariña. (Concentración)SANTIAGO: Praza do TouralCARBALLO: Praza do Concello Hora e lugares da Plataforma en defensa do ensino público ÁS 19.30A Coruña (Praza da Palloza)Lugo (Ronda da Muralla)Ourense (Subdelegación do Goberno)Ferrol (Praza de España)Vigo (Vía Norte) |
NOS_18004 | A Asociación Cultural Afonso Eanes bota a andar unha nova edición da Xornada do Rural Pousa Antelo. Trátase xa da quinta edición dunha xornada que organiza esta Asociación anualmente. Será o sábado 30 de novembro, na Baña. | A V Xornada do Rural Pousa Antelo terá lugar no local social de San Mamede de Monte (A Baña) o sábado 30 de novembro. Trátase xa da quinta edición dun encontro que organiza anualmente a Asociación Cultural Afonso Eanes e que pretende divulgar aspectos relacionados co mundo rural, tanto desde o punto de vista técnico e económico coma desde un punto de vista social ou cultural. O encontro diríxese a todas aquelas persoas que estean interesadas nesta temática, mais especialmente ás veciñas e veciños que fan parte do rural da comarca de Barcala. As xornadas levan o nome de Avelino Pousa Antelo (Arzón, A Baña, 1914 - Teo, 2012), como unha forma de homenaxe a este destacado galeguista e agrarista de orixe barcalés, que traballou boa parte da súa vida en temas relacionados coa agricultura e o cooperativismo. a xornada arranca coa palestra "Propostas para un rural do século XXI", a cargo de María do Mar Pérez Fra, especialista nos procesos de cambio agrario Nesta quinta edición poñerase o foco sobre temas variados co afán de dar resposta ás problemáticas que se viven hoxe en día no mundo rural galego: o despoboamento, o abandono, a xestión das terras ou a falta de alternativas produtivas, entre outras. Tamén contarán cun apartado especial dedicado á cuestión da enerxía eólica, un tema de actualidade na comarca de Barcala debido á oposición veciñal ao proxecto de implantación de novos parques eólicos. O rural galego, a debate A programación da xornada arranca ás 10.30 horas coa palestra "Propostas para un rural do século XXI", por María do Mar Pérez Fra, especialista nos procesos de cambio agrario, avaliación e deseño de políticas de desenvolvemento rural. A seguir, ás 11.45 horas, Xosé Antonio Meixide Fernández, enxeñeiro Técnico Agrícola e xefe de explotación no CFEA de Guísamo, falará sobre "Xestión e posta en valor de pequenas propiedades herdadas no rural", e, Ana Ribeiro Currais, enxeñeira Técnica Agrícola, dará conta e explicará os "Conflitos e problemas do rural na nosa comarca". Após a parada para o xantar, ás 16 horas, Francisco Javier Gómez Lemos, presidente de ASFONOR, achega unha palestra sobre "Iniciativas sostíbeis para o control da praga do Eucalipto". Por último, féchase a xornada cun apartado sobre "Enerxía eólica e xustiza enerxética na Coruña: o caso da comarca de Barcala", a cargo de María Montero e Xavier Simón, un tema de especial actualidade no concello da Baña, membros do Observatorio Eólico de Galiza. A produción de mel artesán ou a situación do sector forestal, temas tratados En anteriores edicións debulláronse temáticas que van desde a situación do sector forestal galego, a actual Lei de Montes de Galiza, a construción con madeira, pasando polas dificultades e oportunidades da pequena explotación gandeira, a produción de mel artesán e leite ecolóxico, a nespra do castiñeiro, o cooperativismo galego, até a situación da muller no rural. A entrada é de balde e aberta a todas as persoas interesadas. Só será preciso inscribirse no caso de participar no xantar previsto, antes do 28 de novembro, por algunha das seguintes canles, ben no correo electrónico [email protected], ben no teléfono das organizadoras 627162939. Organiza: Asociación cultural Afonso Eanes coa colaboración da Asociación de veciños O Outeiro de San Mamede de Monte. A ilustración do cartaz é de Tomás Cuesta. |
NOS_101 | Sigue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto. | 🔴 [EN DIRECTO] Actualizar 20.50 | Que une o Batallón Azov e o francotirador que ameazou con asasinar Pedro Sánchez? A Audiencia Nacional condenou nesta terza feira a sete anos e medio de prisión o francotirador que manifestou nas súas redes en 2018 o desexo de querer asasinar o presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Mais, que une este integrante da extrema dereita e o reximento neonazi do Batallón Azov? Que une o Batallón Azov e o francotirador que ameazou con asasinar Pedro Sánchez? 18.05 | O gobernador de Kursk, en Rusia, denunciou novos bombardeos do exército ucraíno O medio dixital The Kyiv Independient faise eco dunhas declaracións do gobernador da rexión de Kursk, en Rusia, Roman Starovoit, nas que denunciou que o 'óblast' fora bomabardeado nos últimos días desde Ucraína. Pola súa banda, as autoridades ucraínas seguen a negar que sexan as súas forzas as que están a bombardear Kursk. 16.18 | Moscova non intercambiará por prisioneiros de guerra o opositor detido polos ucraínos O portavoz do Goberno ruso, Dmitri Peskov, asegurou que non intercambiarán prisioneiros de guerra, nomeadamente militares ucraínos, polo político opositor Víktor Medvedchuk, detido pola intelixencia ucraína pola súa presunta relación con Rusia. Moscova argumenta que, ao non tratarse dun cidadán ruso, "non ten nada que ver" coa guerra que ambos países están a manter desde hai máis dun mes. Desta forma, Peskov rexeitou a proposta do presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski. Zelenski anuncia a captura do líder opositor Medvedchuk e propón intercambialo por prisioneiros de guerra 15.12 | O Ministerio de Asuntos Exteriores ruso cualifica de "obxectivos militares lícitos" os vehículos da OTAN que transportan armas a Ucraína O Ministerio de Asuntos Exteriores ruso, a través dun portavoz, deu a entender que considera "obxectivos militares lexítimos" aqueles vehículos pertencentes á Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN) que transporten armas para abastecer o exército ucraíno. De producirse, sería o primeiro choque directo (máis alá das sancións) entre Rusia e a OTAN, que até o de agora mantén unha posición de "non intervención" na guerra de Ucraína, pese a subministrar armamento e instrución militar a soldados e milicianos ucraínos 13.50 | Rusia ve "pouco intelixentes" as declaracións sobre a posíbel entrada na OTAN de Finlandia e Suecia A portavoz do Ministerio de Defensa ruso, Maria Zajarova, cualificou esta cuarta feira de "pouco intelixentes" as declaracións dos últimos días sobre unha posíbel adhesión á OTAN de Finlandia e Suecia: "É unha especie de propaganda e provocación e non responde aos intereses dos pobos destes países, senón aos da Alianza", dixo. 12.30 | Ucraína acusa Rusia de usar armas químicas e o Kremlin négao As autoridades ucraínas denunciaron esta cuarta feira o uso por parte do Exército ruso de "bombas de fósforo branco" na localidade de Novodanilivka, na rexión de Zaporizhzhia. Pola súa parte, a embaixada de Rusia nos EUA negou as acusacións e instou a Casa Branca a "non difundir información errónea". 09.55 | Rusia afirma que un milleiro de soldados ucraínos claudicaron en Mariupol O Ministerio de Defensa ruso, segundo recolle Russia Today, asegurou esta cuarta feira que 1.026 soldados das Forzas Armadas de Ucraína se renderon en Mariupol e, con base nesta mesma fonte, 151 deles recibiron atención médica e foron trasladados ao hospital. 08.35 | Zelenski anuncia a captura do opositor Medvedchuk e propón intercambialo por prisioneiros de guerra O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, anunciou na tarde desta terza feira a captura do deputado Víktor Medvedchuk, un dos líderes do principal partido da oposición e de ideoloxía pro rusa, Plataforma de Oposición-Pola Vida, e propuxo ao Kremlin un intercambio por presos ucraínos. Zelenski anuncia a captura do líder opositor Medvedchuk e propón intercambialo por prisioneiros de guerra 08.00 | Biden acusa Putin de cometer un "xenocidio" O presidente dos EUA, Joe Biden, culpou esta terza feira o seu homólogo ruso, Vladimir Putin, de perpetrar un "xenocidio" en Ucraína. "As evidencias están a aumentar. Vese diferente á semana pasada. Máis evidencias están a saír literalmente das cousas horribles que os rusos fixeron en Ucraína", engadiu. 07.30 | 2.600 civís evacuados polos corredores humanitarios Até 2.671 persoas foron evacuadas esta terza feira a través dos diferentes corredores humanitarios habilitados en determinadas cidades ucraínas, procedentes da cidade de Mariupol e as rexións de Pologi, Vasylivka, Berdyansk, Melitopol e Luhansk, segundo informou a viceprimeira ministra do país, Irina Vereshchuk. |
NOS_54405 | A mudanza de estratexia está a piques de se consumar. O obxectivo, abandonar a prisión (á espera, en todo caso, de xuízo) para participar na campaña do 21-D. Oriol Junqueras e os consellers pasan de non contestar ás perguntas da Fiscalía a demandar que o xuíz Pablo Llanera lles tome declaración. Nese trámite afirmarían -de acordo coas fontes consultadas por ElNacional.Cat- asumir o 155 por "imperativo legal". | Unha asunción puramente formal do 155 e das súas consecuencias -xémea a que en tempos facían os cargos de Herri Batasuna durante os anos de existencia de ETA. Esa é a nova estratexia que empregarán Oriol Junqueras e os consellers encarcerados pola xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela agora que a causa pasa á xurisdición do maxistrado do Tribunal Supremo Pablo Llanera. As defensas de Junqueras e os consellers rexistarían esta terza feira no Tribunal Supremo un escrito en que afirman que, desde a discrepancia política, asumen o artigo 155 -en virtude do cal Madrid destituíu o Govern, disolveu o Parlament e convocou as eleccións do 21-D- e fano exclusivamente por "imperativo legal". O que pretenden Oriol Junqueras e os consellers é obter o mesmo tratamento que receberon Carme Forcadell e os integrantes soberanistas da Mesa do Parlament, postos en liberdade con fianza polo xuíz Llanera unha vez que declararon acatar os efeitos do 155. En todo caso, no seu escrito ao Supremo reafirman a súa convicción de que o Goberno do Estado non tiña competencias para destituír o Govern -o teor literal do artigo constitucional non llas dá- e invocan o direito de participación política de Junqueras -número un da candidatura de ERC- e dos consellers para demandar a súa liberación con vistas a tomaren parte nas eleccións. O mesmo camiño vano tomar tamén os presidentes da Assemblea Nacional Catalana e Òmnium Cultural -Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, respectivamente- encarcerados por decisión de Lamela. Sànchez figura na candidatura do PDeCAT que encabeza Carles Puigdemont. |
NOS_43317 | A partir da segunda feira o coleccionábel 'Os nomes do terror' | O vindeiro 3 de outubro sae á rúa unha nova achega de Nós Diario arredor dos vitimarios. A publicación, que se vai distribuír co xornal da terza a sexta feiras ao longo dos meses de novembro e decembro recolle 34 traballos sobre os verdugos nos primeiros anos do franquismo. O coleccionábel Os nomes de terror dá continuación a un volume do mesmo título publicado por Sermos Galiza en 2017 e, como daquela, tenta botar luz sobre un período da nosa historia aínda hoxe incómodo ao poder para favorecer un debate público sobre unha cuestión que a oficialidade continúa mantendo nas marxes. A nova entrega conta coa participación de 23 autoras e autores de diversas xeracións e procedencias. Algúns deles fan parte das primeiras fornadas que comezan a estudar a represión en diferentes comarcas da Galiza a comezos dos anos 80, outros destacan pola súa mocidade, uns proceden do ámbito académico e outros do ámbito social. A publicación, coordinada por Dionisio Pereira, Eliseo Fernández, Xosé Ramón Ermida e Xoán Carlos Garrido, ten entre os seus colaboradores Xosé Álvarez, Carlos Meixome, Antón Mascato, Xesús Torres, Carlos Nuevo, Edelmiro Cerredelo, Xavier Moure, Manuel Pazos, Celso Milleiro, Xosé Novas, Fernando Vidal Collazo, Manuel Monge, Xosé Ramón Paz Antón, Manuel Pérez Lorenzo, Xabier Buxeiro, Rafael García, Mateo Martínez, Ana Cabana e Susana Aríns. A publicación achega información sobre os vitimarios en 21 comarcas e localidades galegas. Compostela, Bergantiños, Sada, Betanzos, Ordes, A Mariña, Ribadeo, Sarria, Ribeira Sacra e Courel, Ancares, Terra de Montes, O Grove, A Illa de Arousa, Bueu, Marín, A Louriña, Val Miñor, Baixo Miño, A Limia, O Ribeiro e As Frieiras. Ao tempo analizase o papel na represión de persoas como Sergio Peñamaría de Llano na comarca de Valdeorras, do gobernador civil de Pontevedra, Manuel Gómez Cantos ou do delegado de orde público en Ferrol, Victoriano Suanzes. Nunha orientación máis sectorial Dionisio Pereira estuda a actuación da patronal pesqueira no conglomerado represivo, Xoán Carlos Garrido o da xerarquía eclesiástica e Eliseo Fernández o da Guarda Civil. Por outra banda, Ana Cabana debulla a consideración dos vitimarios na tradición oral e Susana Aríns bota luz sobre a persoa que inspira o protagonista do seu romance Seique. A investigación busca cambiar a ollada sobre o operativo do terror. Até agora as vítimas teñen ocupado o centro de atención nos estudos da memoria, porén falta sacar á superficie a realidade que se agocha tras os verdugos reparando na lóxica do conglomerado represor organizado polo réxime franquista. Ao longo do coleccionábel aparecen aqueles nomes que teñan ficado no imaxinario popular asociados ao terror fascista pero sobre todos os actores que o teñen feito posíbel, comezando polos militares e continuando polo poder económico, a xerarquía eclesiástica ou a militancia falanxistas e doutros grupos da dereita. Neste sentido, o traballo non só pretende cubrir un labor informativo, senón impulsar unha reflexión arredor de que memoria merece unha sociedade democrática. |
PRAZA_6230 | Marta Paz e David Lareo, dous dos voceiros do proceso, falan da iniciativa que busca "recuperar María Pita para o 99%" a través dunha confluencia cidadá que remate nunha candidatura para as municipais de 2015 na Coruña. | O manifesto da iniciativa Marea Atlántica, que pula por "recuperar María Pita para o 99%", supera xa as 1.100 sinaturas de apoio na Rede, logo de dúas semanas desde o seu lanzamento público con 99 firmas iniciais e unha semana despois da súa presentación en sociedade. O proxecto que busca a confluencia cidadá na procura dunha candidatura para as eleccións municipais de 2015 procura agora o aval a súa proposta "dunha outra Coruña" alcanzando os 2.500 apoios o 1 de outubro. Polo momento, a súa irrupción está a rachar os marcos do parcelado panorama político local. E non só na súa cidade. A maré di que chega "para gañar". "E para gañar, hai que unirse", advirten Marta Paz e David Lareo, voceiros e dous dos asinantes impulsores que falan con Praza deste proceso de "empoderamento cidadán". Agardaban esta respota á iniciativa? Están satisfeitos cos apoios acadados até o de agora pola Marea Atlántica? Marta Paz: Estamos satisfeitos, si. O que era previsible era o descontento da xente e a falta de alternativas. No contexto actual, a xente está desexando que xurdan iniciativas que superen as dinámicas da política tradicional. Estamos contentas e satisfeitas de ter esta resposta, pero tamén esperabamos que podía pasar algo así. Cando nos puxemos a camiñar nesta idea tiñamos claro que o noso obxectivo era gañar e confiabamos que podiamos ter esta acollida. Aínda así, os resultados sempre sorprenden para ben. David Lareo: Esperabamos unha boa resposta porque sabiamos que o momento no Estado era o que era. Noutros lugares están funcionado iniciativas semellantes, pero tamén sabemos que A Coruña é unha cidade un pouco particular en canto á resposta cidadá, polo que si estamos sorprendidos, tanto polo apoio dos cidadáns como dos partidos políticos, asociacións e colectivos. "Iniciativas como a Marea Atlántica xorden dun proceso continuo de insatisfacción e de empoderamento da cidadanía" O 15M, o descontento xeral, os múltiples movementos sociais e cidadáns... Xorde a Marea por unha mestura de todos estes procesos? MP: É unha mestura de todo, si. Os tempos van cambiando e a política tradicional foise afastando da sociedade e situándose moi lonxe da xente de a pé. Secuestraron a política e as institucións, que están divididas da sociedade, e é inevitable que xurdan iniciativas que pretenden recuperar esta política para a cidadanía. DL: Agora están a cristalizar unha serie de movementos que maduran despois dun proceso que comeza no 15M, pero á súa vez o 15M foi produto dun malestar que comezou moito tempo atrás. Non sería eu quen de situar a orixe do movemento acutal nunha data concreta, senón nun proceso continuo de insatisfacción e de empoderamento da cidadanía. Os despachos están moi afastados da rúa; é a súa intención que a rúa chegue ás institucións, a eses despachos? MP: Vimos dunhas dinámicas nas que en moitos casos non queriamos participar. Para nós a política é diaria, cotiá e faise nos ambientes máis achegados a nós, pero hai cousas que nos veñen dadas desde arriba, como as leis que recortan os nosos dereitos, polo que se non incidimos ou facemos algo para quebrar iso tampouco lograremos nada. O noso plano de acción é a rúa pero así non chegamos a todo. Tal e como están as cousas e tal e como actúan os gobernos, é inevitable que teñamos que intentar poñer un pé nas institucións. "Hai cousas que nos veñen dadas desde arriba, como as leis que recortan os nosos dereitos; é inevitable intentar poñer un pé nas institucións" DL: Está claro que hai unha crise de lexitimacion do poder político coa estrutura actual dos partidos. A xente reclama outro xeito de participar e de facer as cousas e tamén tomar a palabra nas decisións que lle afectan á súa vida privada. BNG, EU, Anova, Compromiso... Todos estes partidos saudaron a iniciativa da Marea Atlántica, confían en que acaben apoiando o proceso de cara a unha candidatura cidadá e unitaria? Poderase artellar iso sen preponderar as siglas? MP: O que queremos é rachar coas dinámicas da política tradicional. Cremos que a política ten que xurdir dos barrios, das mareas que promovemos... E a partir de aí construír un espazo político. Isto entra en conflito coas dinámicas de partidos de esquerda, de estrutura piramidal, porque nós cremos que deben ser espazos máis horizontais. Veremos o que ocorre, pero agora estamos máis preocupadas na composición do noso espazo que na acollida que teñamos. Supoñemos que se son partidos de esquerda apoiarán calquera iniciativa que fomente a participación cidadá e a unidade. DL: Desde o principio procuramos xerar un proceso de confluencia. A nosa vontade é que o resto da esquerda política ou social e os movementos en xeral se inclúan neste proceso. É positivo que valoren a nosa existencia e nacemento, pero temos moi claro que o proceso de adscrición debe ser sempre individual. Podemos parece decidido a non presentar candidaturas en todo o Estado e apoiar candidaturas cidadás. É esa unha boa nova para a Marea Atlántica? MP: É algo lóxico. Nós non somos un partido e somos froito das circunstancias. Vexo normal que esas estruturas máis territorializadas de Podemos deixen o paso ou apoien estes movementos porque teñen o mesmo espírito. DL: Coa xente de Podemos sempre hai diferenzas porque é unha organización moi nova e en cada círculo hai posicións diferentes. Co círculo da Coruña non hai relación institucional, pero está claro que compartimos cuestións e que o noso manifesto pode ser asinado por calquera deles. Estariamos encantados de que se unisen a título individual, pero non nos plantexamos nin unha fusión nin apropiarnos da marca Podemos porque somos dous procesos diferentes. "O que queremos é gañar e por iso promovemos un espazo de confluencia; sabemos que para gañar hai que unirse" Insisten en que o obxectivo é "gañar". MP: O obxectivo é chegar a María Pita. Rachar con políticas clientelares, acabar con orzamentos absurdos, con todo tipo de corrupción no Concello... E todo iso non podemos facelo desde a oposición, obviamente. DL: Temos claro que se facemos este esforzo por adoptar unha forma distinta da loita á que moitos de nós faciamos nos movementos sociais, se nos mergullamos nesta política desde as nosas vidas normais é porque queremos gañar. Non queremos unha representación simbólica de un ou dous concelleiros. O que queremos é gañar e por iso promovemos un espazo de confluencia, porque somos conscientes de que para gañar hai que unirse. Logo as cousas ocorrerán como sexa, porque a nosa vontade actual é preparar o Foro Social e debater os problemas das cidades nas mareas. Logo, nese Foro, será onde se decida o da candidatura, pero antes hai que sentar as bases para, chegado o outono, organizar unha candidatura cidadá. A Marea Atlántica semella vir tamén a rachar numerosos tópicos sobre A Coruña... MP: A Coruña alimenta unha imaxe que non é real, unha imaxe precociñada en despachos. Queremos ensinar A Coruña participativa, de barrios e que se move. Esa cidade que fai propostas, máis en positivo e proactiva. "A Coruña alimenta unha imaxe que non é real, unha imaxe precociñada en despachos; queremos ensinar A Coruña participativa e que se move" DL: Loitamos desde o local e queremos unha Coruña diferente. Somos conscientes de que a cidade ten unha casuística e historia particular e sobre ela hai que traballar, pero queremos poñer en valor a nosa localidade respectando a súa identidade, pero superando tópicos e lecturas erróneas que se fixeron da vontade dos seus habitantes e da súa historia. Aquí hai referentes de loita e de procesos de empoderamento cidadán que se ocultaron. Queremos poñer en valor os aspectos da cidade que cremos positivos e que non se puxeron en valor por diferentes intereses. Pode ser a Marea Atlántica un exemplo para outras cidades galegas? MP: A idea é aprender conxuntamente entre os diferentes movementos. Temos coñecemento de que hai outros procesos semellantes noutras localidades galegas e xa estamos a manter algún contacto. Isto é un experimento e cantas máis iniciativas deste estilo xurdan, mellor para todas. A experiencia compartida axuda, sen dúbida. DL: Cremos que se poden espallar outros movementos e de feito xa está sucedendo. Hai réplicas, aínda iniciais, nalgúns puntos de Galicia e a nosa vontade é que a Marea Atlántica sirva de exemplo, pero no sentido de poñer todas as nosas ferramentas, coñecemento e corpus teórico que produzamos á disposición de calquera proceso que vaia na mesma dirección. "Temos coñecemento de que xa hai outros procesos semellantes noutras localidades galegas e a experiencia compartida axuda" O que é evidente é que están a cambiar moitas cousas en Galicia e no Estado... MP: En Galicia, no Estado e no mundo a nivel global. Esta especie de ditadura das elites sobre o pobo segue aí e desde o local estase a expandir unha forma de revolución que sae das prazas... A xente está a saír á rúa por todas as partes do mundo e é o momento de compartilo e de aprender xuntos. DL: Á marxe de que se gañen eleccións municipais ou de que se presente candidatura cidadá ou non, está a emerxer algo importante. O cambio está en que se xunta xente que estivo traballando en eidos totalmente diferentes para un proxecto de cidade. No caso da Coruña, o proceso de reflexión e o traballo que estamos levando a cabo xa é un logro importantísimo, á marxe de que se traduza nun proceso electoral ou non. |
NOS_36302 | A Consellaría de Sanidade puntualiza que, malia adiantar os tempos nun grupo, os menores de esa idade seguirán cunha axenda que xa estaba programada. Aliás, o departamento continúa traballando na "repesca" das persoas que xa perderon a súa quenda para tratarse fronte á Covid-19 por diferentes motivos. | A campaña de vacinación das galegas e galegos de máis de 60 anos que están a ser tratados contra a Covid-19 con Astrazeneca vai acelerada, polo que o grupo -incluído dentro dos colectivos vulnerábeis- adiantará unha semana nos tempos previstos. É dicir, dado o ritmo de inoculación e a previsión de que chegarán novas doses, a Xunta vai comezar a chamar á xente unha semana antes do que comprometera. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ao falar da segunda dose do fármaco para dar por completada a pauta da medicina de protección fronte ao coronavirus. No entanto, ese avance nun tramo de idade concreto non implica mudanzas no resto da axenda da Administración Sanitaria. O representante da Xunta quixo deixar claro que se poden ir "completando" as citas previstas nas e nos maiores de 60, pero os menores desa idade -estima que unhas 93.000 persoas- estarán nos centros de vacinación polo menos até agosto, atendendo ao calendario estabelecido inicialmente. Por outra parte, García Comesaña aproveitou as súas declaracións públicas desta cuarta feira para incidir en que o Sergas mantén en paralelo un plan para atender aquelas cidadás que perderan as citas anteriores. Así explicou que das 11.000 veciñas citadas esta semana, unha parte negouse a que lle inocularan o fármaco que lle tocaba. A este respecto, lembrou que "non se pode elixir a marca" e que a pauta a marcas as e os especialistas. A semana próxima haberá novos convocados -e a partir de xullo se traballará con cita previa na mocidade- pero non todas as persoas o están tendo igual de sinxelo para vacinarse. Hai escasos días doentes con enfermidades inmunodepresoras lamentaban que non tiveran en conta os seus tratamentos médicos para cadrar as citas cando din os especialistas. |
NOS_57783 | A Organización inaugura esta segunda feira, día 4 de xuño, unha exposición na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela. | A organización galega Amarante Setem presenta en Compostela a súa última exposición "Non te consumas", na Biblioteca Pública Ánxel Casal, a próxima segunda feira, 4 de Xuño, ás 18:30 horas. A inauguración correrá a cargo de persoas integrantes do grupo local de Amarante en Compostela e será acompañada dunha degustación de produtos de comercio xusto e da proxección de curtas e documentais en torno ao consumo responsábel e o comercio xusto. A exposición fai un percorrido sobre o modelo de consumo actual A temática da exposición "Non te consumas" é o consumo responsábel. A exposición elaborada pola organización no 2011, fai un percorrido sobre o modelo de consumo actual e as súas consecuencias, para ir dando pasos cara a outro modelo de consumo máis xusto e responsábel. Entre os temas que trata a exposición encóntranse as desigualdades no consumo, a contaminación, a explotación dos recursos naturais e a presentación de alternativas como o comercio xusto, as finanzas éticas e o consumo responsábel na alimentación e na roupa. |
NOS_39586 | O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSXC) anulou "por non axustarse á legalidade" o proxecto lingüístico dun colexio de Llagostera, Catalunya. Con esta sentenza xa son seis os centros cataláns que perderon o proxecto lingüístico por anulalo o TSXC. | O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSXC) anulou "por non se axustar á legalidade" o proxecto lingüístico dun colexio de Llagostera, en Catalunya, por non contemplar "o carácter vehicular do castelán como lingua oficial en conxunto con o catalán". A sentenza da sección quinta da sala do contencioso administrativo dálle a razón a algúns pais: Reoñece aos recorrentes o dereito a que os seus un ensino que inclúe o castelán como lingua vehicular nunha proporción razoábel". A sentenza, ditada en catalán agás nas partes extensas que inclúe xurisprudencia, recolle que os pais do alumno recorreron aos tribunais contra unha resolución ditada polo conselleiro de Educación en xullo de 2019. Os pais, segundo a sentenza, quixeron inicialmente que se declarase que o seu fillo tiña dereito a ser educado en catalán e castelán "en proporción equivalente" ou, subsidiariamente, que se "garantise" unha "mínima asistencia" en español que "en ningún caso" foi inferior ao 25%. Por último, tamén reclamaron a anulación do proxecto lingüístico do centro, e pediron que tanto a sinalización como o idioma do centro se fagan nos dous idiomas e que as relacións coas familias do alumnado se fagan respectando "a liberdade lingüística e a elección" das linguas. O TSXC estimou parcialmente o recurso. O xulgado recoñece á familia "o dereito a que o seu fillo reciba durante o ensino obrigatorio, xunto cos seus compañeiros, no centro e curso no que continúa os seus estudos, un ensino que inclúa o castelán como lingua que debe realizarse nunha proporción razoable". . Con esta sentenza xa son seis os centros cataláns que perderon o proxecto lingüístico por anulalo o TSXC. |
PRAZA_1372 | Podemos, IU, AGE, Compromís-Equo e Bildu afirman que o aprazamento responde ao "medo" dos grandes partidos a un resultado negativo. As esquerdas do Estado visibilizan o seu rexeitamento a un tratado que pode limitar a capacidade dos poderes democráticos para xestionar a economía. Falamos con Lidia Senra e Ana Miranda. | O Parlamento europeo tiña que afrontar este mércores unha das votacións máis importantes da súa historia: O TTIP (Tratado de Libre Comercio e Investimento), que leva meses negociándose cunha opacidade case total, debía someterse a debate no pleno. Porén, finalmente a votación foi adiada sen data. Só se celebrará un pleno máis, en xullo, antes do descanso estival. Non se votaba o propio tratado, que aínda pasará por varios meses de conversas, senón un informe no que a cámara tiña que marcar as liñas que deben fixar a posición europea nas negociacións. O informe non é vinculante, pero a votación -cando se celebre- terá un importante contido simbólico, sobre todo se os grupos opostos ao acordo son quen de botar abaixo algúns dos seus puntos máis polémicos. A razón oficial para a suspensión do voto (que aínda non ten nova data, pero mesmo se fala de que podería adiarse ata novembro) é o elevado número de emendas presentado, aínda que noutras comunicacións oficiais do Europarlamento se ofrece a escusa da "falta de consenso entre os grupos". As normas da cámara permiten adiar unha votación cando o número de emendas supera as 50 (neste caso había máis de 200). Porén, Podemos, IU, AGE, Compromís-Equo e Bildu afirman que o aprazamento responde ao "medo" dos grandes partidos a un resultado negativo. Nos últimos días foi crecendo o malestar público con algúns dos puntos máis polémicos do TTIP. Un deles é o que atinxe ao ISDS, o tribunal de arbitraxe privado que -no caso de que o TTIP se aprobe- deberá resolver os posibles litixios entre os Estados e as multinacionais. A pasada semana a comisión de Comercio Internacional aprobou unha serie de emendas ao informe, entre elas unha -pactada entre conservadores, liberais e socialdemócratas- que incorporaba unha versión edulcorada do tribunal. A aceptación ou non por parte do Parlamento do ISDS era unha das cuestións clave na votación deste mércores. A outra era a propia posición dos socialistas europeos, comezando polos eurodeputados do PSOE. A aceptación ou non por parte do Parlamento do ISDS era unha das cuestións clave na votación deste mércores. A outra era a propia posición dos socialistas europeos, comezando polos eurodeputados do PSOE Este mesmo luns e martes barallábase a posibilidade de que nalgúns puntos da votación, coma o tribunal de arbitraxe, algúns eurodeputados dos partidos maioritarios -nomeadamente das forzas socialdemócratas- se descolgasen das votacións dos seus grupos, facendo máis exigua a maioría dos que apoian o TTIP ou mesmo botando abaixo algúns aspectos, coma o ISDS. Lidia Senra, eurodeputada de AGEe, rexeitaba facer "especulacións" neste senso, pero xa sinalaba que "si sería importante que houbese descolgues con respecto ás posicións marcadas polos partidos, e que os deputados e deputadas votasen poñendo os dereitos das persoas e dos pobos por riba dos intereses do capital e das multinacionais". De igual xeito, Ana Miranda (BNG) anticipaba para Praza que "pode haber mesmo algunhas disidencias no partido socialista europeo e mesmo algunha sorpresa, así que a maioría a prol do TTIP pode non ser tan clara; se cadra o resultado se pode achegar a 400-300". Miranda salientaba que "no último ano está habendo un cambio de tendencia moi importante, hai uns meses os parlamentarios opostos ao tratado podían ser algo máis dun cento". "Unha marea contra o TTIP" Este martes representantes das forzas de esquerda do Estado convocaran unha rolda de prensa no Parlamento europeo para ofrecer unha posición unitaria de rexeitamento ao tratado, baixo o lema de "unha marea contra o TTIP". Porén, a convocatoria de Pablo Iglesias e Lola Sánchez (Podemos), Marina Albiol (IU), Lidia Senra (AGEe), Josu Juaristi (Bildu), Ernest Urtasun (ICV) e Jordi Sebastià (Compromís-Equo), serviu para anunciar a suspensión da votación, que lles fora comunicada apenas uns minutos antes. Os eurodeputados e eurodeputadas das esquerdas do Estado celebraron unha decisión que entenden que amosa o "medo" dos grupos popular e socialista a un fracaso da votación Os eurodeputados e eurodeputadas das esquerdas do Estado celebraron unha decisión que entenden que amosa o "medo" dos grupos popular e socialista a un fracaso da votación. Porén, ao mesmo tempo criticaron que os dous grandes grupos utilicen as normas da cámara "no seu beneficio" porque ven "que día a día se está incrementando a oposición a este tratado". Lola Sánchez sinalou a este respecto que "paralizaron un proceso democrático cando viron que o resultado non era o que a gran coalición quería, e cando viron que mañá ía quedar exposta a grandísima división que o TTIP provoca, mesmo dentro dos seus grupos parlamentarios, coma é o caso dos socialdemócratas. Esa imaxe non lles conviña". "A mobilización social fixo que o grupo socialdemócrata cambiase de opinión nos últimos días, forzando unha ruptura da gran coalición", engadiu, esixindo "que se abra o debate á cidadanía", sometendo o tratado a referendo. Neste senso, Pablo Iglesias apuntou que "semella que a algúns lles gusta a democracia só cando gañan eles, e cando non pois utilizan distintos mecanismos para evitar que se vote. Que mañá non haxa debate e votacións sobre o TTIP e se sigan levando a cabo estas conversas a porta pechada é algo escandaloso". O líder de Podemos esixiu que a UE "suspenda inmediatamente as negociacións" ata que se pronuncie o Parlamento. "O TTIP é unha pista de despegue para o lanzamento de novas medidas enmarcadas nas mal chamadas políticas de austeridade que nos levaron ao desastre e que puxeron en cuestión o conxunto do proxecto europeo", engadiu. Pablo Iglesias (Podemos) esixiu que a UE "suspenda inmediatamente as negociacións" ata que se pronuncie o Parlamento "Sempre dixemos que cando a cidadanía soubese o que se estaba negociando, comezaría a opoñerse de forma maioritariamente ao TTIP" - destacou Lidia Senra- "este movemento incrementouse nas últimas semanas, e esta presión parece que fixo efecto sobre moitos eurodeputados e eurodeputadas". "A gran triunfadora de hoxe é a mobilización social", dixo a eurodeputada galega. "O que non sei" -engadiu- "é se fixeron ben adiando a votación, porque algún día se terá que votar e na medida en que sigamos sacando isto á luz, e que a cidadanía sexa máis consciente dos efectos do tratado, o rexeitamento será maior". "O noso obxectivo ten que ser acompañar esas mobilizacións e seguir sendo a voz da rúa neste Parlamento", concluíu. Ao igual que os outros eurodeputados e eurodeputadas, Senra reiterou a esixencia de que a Comisión europea paralice as negociación sobre o TTIP. O ISDS, un tribunal privado a conveniencia das empresas Lidia Senra: "A gran triunfadora de hoxe é a mobilización social" O ISDS é un mecanismo que nos últimos anos se vén introducindo nos acordos comerciais e que lles permite ás multinacionais denunciar os Estados cando as súas regulacións as prexudiquen. Son un mecanismo totalmente opaco (unha das partes pode pedir que non haxa comunicación pública), sen control cidadán, e totalmente unidireccional, pois as multinacionais poden demandar un Goberno se considera que unha decisión prexudica os seus posibles beneficios presentes ou futuros, pero os gobernos non poden actuar contra as empresas aínda que estas incumprisen a lexislación. A posición adoptada polos socialdemócratas europeos a pasada semana con respecto ao tribunal de arbitraxe xerou unha gran polémica, pois nos últimos meses sempre se opuxeran ao ISDS. Nos últimos días tentaron explicar a súa decisión, argumentando en primeiro lugar que é importante que o Parlamento aprobe o informe, de xeito que lle marque unhas liñas vermellas á Comisión europea para as negociacións; defenden que sen el, a Comisión terá vía libre para chegar a calquera acordo. En segundo lugar, reiteran a súa oposición aos tribunais privados, de xeito que a eurodeputada do PSOE Iratxe García afirmou este luns que "o noso grupo non votará ningún informe que conteña referencias a un sistema de arbitraxe privada". Tentan explicar que a emenda aprobada: "En potenciais conflitos, estes serán abordados de maneira transparente con xuíces profesionais independentes designados publicamente en audiencias públicas que inclúen un mecanismo de apelación" introduce unha diferenza real coa natureza do ISDS, polo carácter "público" da designación, un argumento que foi posto en dúbida polos grupos contrarios ao TTIP. Nos tribunais internacionais de arbitraxe un experto en comercio internacional do sector privado adoita ter a última palabra sobre a composición do tribunal. Finalmente, os socialistas defenden que a cambio da súa posición a favor destes tribunais, puideron facer presión a prol de esixirlle a EEUU a ratificación dos dereitos esixidos pola OIT ou a exclusión dos servizos públicos. En principio a posición adoptada pola Eurocámara a través do informe Lange establece outras liñas vermellas, coma o respecto aos estándares medioambientais na UE, unha maior transparencia nas negociacións e unha maior inclusión no proceso da sociedade civil. Este martes a eurodeputada Inmaculada Rodríguez-Piñero -xunto a outros responsables da formación en materia económica- asina en El País un artigo no que deixa clara a posición do PSOE favorable ao TTIP e o obxectivo de opoñerse á inclusión do ISDS. Con argumentos tan simplistas como "respectamos a quen non cren na economía de mercado, no comercio como un instrumento a favor do crecemento, ou a quen creen que EEUU está ao outro lado do telón de aceiro", os representantes socialistas ligan a aprobación do TTIP á continuidade das relacións comerciais con Norteamérica ou ao mantemento das redes sociais: "a nosa vida cotiá sería moi diferente sen os produtos e servizos que comercian, coma as redes sociais, nacidas e radicadas nos EEUU, dende as que se fan campañas en Europa contra o Tratado". A posición do grupo socialdemócrata é criticada por todos os grupos de esquerda e ecoloxistas da eurocámara, os acusan de ter chegado ao unha "gran coalición" cos grupos conservadores. De igual xeito, sinalan que nin sequera a posición das empresas europeas é unanimemente favorable ao TTIP, pois as pequenas e medianas corporacións xa manifestaron as súas críticas polos prexuízos que o tratado lles pode traer. No extremo oposto, as grandes multinacionais e a patronal europea Business Europe manifestan a necesidade de aprobar o TTIP, e piden que tamén se inclúan nas negociacións a liberalización dos servizos públicos. Lidia Senra (AGEe) alerta sobre a perigosidade da aplicación do ISDS: "implicaría configurar unha xustiza privada ao servizo das grandes corporacións. Tería uns efectos brutais". "Se conseguimos aprobar a emenda que pide a supresión destes tribunais privados de arbitraxe isto sería un paso adiante importantísimo", destaca. Así mesmo, para Ana Miranda (BNG), o tribunal privado "supón unha vulneración da democracia e pasar por riba dos procedementos legais e das habituais resolucións de conflitos, que debería ser a vía xudicial". Ana Miranda denuncia así mesmo en conversa con Praza que o TTIP "non é un acordo de comercio" pois "hai outras regulacións tarifarias e acordos de libre comercio que xa están funcionando entre Estados Unidos e Europa". "Estase vendendo isto como un acordo de comercio cando en realidade é un acordo regulatorio para baixar os estándares en materia de protección social, de saúde, medioambientais ou aquelas normas que protexen as pequenas e medianas empresas", salienta. Ana Miranda: "Estase vendendo isto como un acordo de comercio cando en realidade é un acordo regulatorio para baixar os estándares en materia de protección social, de saúde ou medioambientais" Tanto unha coma outra conclúen salientando a necesidade de incrementar a transparencia, a concienciación e o debate público sobre o tratado. "É fundamental seguir dando a batalla, que as persoas coñezamos que é o que está en xogo. Aínda a estas alturas non coñecemos todo o que se está negociando, e moitos documentos coñecémolos grazas a filtracións. É fundamental o papel que os medios que comunicación poden ter, sacando este tema á luz", afirma Lidia Senra. "A base do TTIP é que as transnacionais, europeas e americanas, campen ás súas anchas pola UE. Isto pode afectar mesmo a unha concesión de augas nunha vila, que pode ir parar a unha multinacional norteamericana, e pode ser dramático para o sector agrogandeiro galego, que non poderá competir coas grandes multinacionais norteamericanas do leite. Cando a xente se decate destes efectos, aí si que si se pode concienciar", engade Miranda. O TTIP, efectos mesmo na política local E é que o acordo -de aprobarse- terá un grande impacto na economía europea, pero non só nas grandes operación comerciais e financeiras, senón en todos os niveis da economía, mesmo no ámbito máis local. En xeral, o TTIP reducirá -en beneficio do sector privado- a capacidade dos poderes democráticos de xestionar a economía e a vida das persoas. O TTIP podería permitir a entrada das multinacionais neste mercado, na licitación municipal e autonómica de contratos públicos, impedindo a aprobación de cláusulas que favorecen as empresas locais O CESA, acordo de libre comercio entre a UE e Canadá, pendente de ratificación e que sirve de modelo ao TTIP, incorporará a chamada ratchet clause (cláusula de roquete), un mecanismo que implica que un país non pode reintroducir un obstáculo ao comercio xa eliminado de forma unilateral nun ámbito no que asumira un compromiso. Isto pode dificultar os procesos de remunicipalización de servizos públicos (coma os que propoñen algunhas das candidaturas que accederon aos gobernos locais o 24M). Ademais, permitiría a entrada das multinacionais neste mercado, na licitación municipal e autonómica de contratos públicos, impedindo a aprobación de cláusulas que favorecen as empresas locais. Tamén suporía un grave prexuízo para as cooperativas e empresas de economía social, que non poderían beneficiarse da inclusión de cláusulas específicas nos contratos de compra pública e na adxudicación de servizos. Un cabalo de troia en Vigo e Ourense Coincidindo cos debates que están tendo lugar no Parlamento europeo, Amigos da Terra está a levar a cabo unha serie de accións públicas de información e concienciación sobre os seus efectos, levando por distintas cidades do Estado un cabalo de troia inchable, de oito metros, que este martes estará en Vigo e o mércores en Ourense. Dende que se comezaron a coñecer os primeiros detalles do contido do Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (TTIP), os seus críticos apuntaron a imaxe de Cabalo de Troia para explicar os seus efectos: un acordo legal, aprobado polos Estados europeos, que na práctica servirá para baleirar de competencias estes mesmos Estados, cedéndolle ás grandes multinacionais o control da economía e dos servizos públicos. A acción de Vigo está convocada para as 17 horas deste mércores, na Porta do Sol. E a de Ourense para as 11 horas deste xoves, ante a Subdelegación do Goberno, fronte ao Parque de San Lázaro. |
NOS_20990 | Unha campaña nas redes de alcaldes do Partido Popular en plena pandemia e confinamento causa malestar. | Alcaldes e alcaldesas do PP en Ourense desfilan nestes días de pandemia da COVID-19 polas redes sociais partillando formato e mensaxe: primeiro plano do rexedor ou rexedora, fondo azul 'popular', mensaxe de ánimo á veciñanza e recordatorio agradecido do importante que é o "apoio de Xunta e Deputación" para combater o coronavirus. Para poñer o ramo, un lema con arrecendo electoral compartido entre todas e todos os participantes: "Xuntos, imos gañar" e #OmomentodasPERSOAS. Ourense é a área sanitaria con máis casos activos de coronavirus por 100.000 habitantes:430, cando a media na Galiza é de 257 Alcaldes e alcaldesas de Monterrei, A Bola, Beade, Quintela de Leirado, Larouco... van así desfilando nesta iniciativa do PP de Ourense, na que tamén participan concelleiros e concelleiras en municipios onde non gobernan, como Allariz. A mensaxe que trasladan é reiterativa: "grazas ao apoio da Xunta e Deputación...", "agradecer á Xunta e á Deputación por todos os recursos...", "Confinados si pero non sos, grazas á cooperación de Deputación e Xunta...", Agradecementos tamén a Xunta e Deputación por estar perto dos concellos". Luis Seara, do BNG de Ourense, resumiu cun "campaña provincial eleccións COVD 2020" esta iniciativa das populares ourensás. O PsdeGacusou no seu día ao PartidoPopular de "orquestrar unha campaña de alcaldes e edís", co lema 'Xuntos imos gañar', para repartición de material sanitario contra o coronavirus. |
NOS_53883 | "Por favor, pague nas caixas de sempre, non nas de autocobro". A apelación das traballadoras de Lefties e Zara á clientela é unha chamada de alerta sobre un proceso que se estende por Galiza, de supermercados a autoestradas, de comercios a gasolineiras; e con consecuencias no emprego e condicións laborais. | As caixas e cabinas de autocobro "non se poñen enfermas, non fan greve, non fican grávidas e sempre son puntuais". É de agradecer a Ed Rensi, ex director executivo de McDonalds, a honestidade nesta súa frase coa que xustificou que a compañía reemprazase persoal por pantallas táctiles en 14.000 locais dos Estados Unidos. Un proceso que iniciou en 500 locais de Florida, e no medio dun importante conflito laboral, con milleiros de traballadoras e traballadores da cadea mobilizándose por un salario digno. A substitución de persoas empregadas por máquinas autocobro xa se estende por Galiza desde hai uns anos. Daquelas primeiras gasolineiras de autoservizo e cabinas de autopago na autoestrada ás caixas de autocobro en supermercados, tendas e comercios. "É vergoñento e indignante que unha multinacional como Inditex, que obtén miles de millóns de euros de beneficios, estea a poñer máquinas para suplantar as traballadoras", manifesta en conversa con Sermos Galiza Carmiña Naveiro, delegada da CIG en Lefties. De feito, son as tendas desta marca e de Zara no centro comercial Marineda City da Coruña, un dos máis grandes no Estado e banco de probas de Inditex, das primeiras en instalar este servizo de autopago: 7 caixas en Zara e 11 en Lefties. "É un primeiro paso, se non o remediamos en breve estenderase por todas as tendas de Galiza", vaticina Naveiro. En xullo de 2013 Gadisa instalou caixas de autopago nalgúns dos seus supermercados para que a clientela pague sen necesidade de recorrer ás caixas. "Daquela xa nos mobilizamos contra esas máquinas e o que traían con elas", lembra en conversa con este semanario Manuel Varela, delegado do sindicato nacionalista en Gadis. Iso que traían con elas era menos persoal: "Ten en conta que cada unha delas elimina dous traballos, polas quendas que cobre". Varela di que actualmente en Compostela xa hai tres supermercados de Gadis con caixas de autopago. [Podes ler a reportaxe íntegra no número 316 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_28502 | As reivindicacións do Día Internacional das Mulleres, os motivos para saír ás rúas a protestar, continúan a estar vixentes. A desigualdade e a violencia machista non desapareceron dunha semana para outra. O 8-M segue a ser necesario alén do 8 de marzo. | Así se entendeu en lugares tan distantes como Europa, América e Oceanía, onde nas últimas horas as mulleres volveron manifestar a dor e a rabia acumulada polos últimos acontecementos no Reino Unido, México ou Australia, que puxeron de manifesto a situación de indefensión ante o acoso sexual e a violencia que moitas delas padecen a diario. O pasado 3 de marzo, Sarah Everard desapareceu cando camiñaba por Brixton, un barrio no sur de Londres, tras saír do apartamento dunha amiga. Unha semana despois, Scotland Yard atopaba os seus restos nun bosque, a uns 50 quilómetros do lugar da desaparición. Na súa lembranza e como forma de protesta, a asociación Reclaim These Streets ("Reclama estas rúas") convocou unha vixilia, que en principio ía ser individual, colocando unha candela fronte á porta de cada casa, polas restricións da Covid-19. O xesto foi seguido ao longo de toda a illa da Gran Bretaña, desde Escocia até Cornualles pasando por Gales, recolleu o periódico The Guardian. Mais en Inglaterra, centos de persoas, a maioría mulleres, reuníronse pacificamente no parque Clapham Common, perto de onde Everard foi vista con vida por última vez, desafiando a prohibición. A concentración pola asasinada e para exixir que as mulleres se poidan sentir seguras en lugares públicos acabou sendo disolta con contundencia pola Policía. Catro mulleres foron detidas e os periódicos británicos amenceron o domingo con imaxes dos choques entre as manifestantes e axentes da policía no parque. A de Patsy Stevenson, de 28 anos, reducida e esposada no chan xa é icónica. A actuación de Scotland Yard foi especialmente criticada por varias razóns: primeiro, porque o principal sospeitoso da morte de Everard é un axente deste corpo, que días antes do secuestro protagonizara un episodio de exhibicionismo; e segundo, porque a Policía recomendou ás veciñas do barrio da asasinada que fosen con cautela ao saíren soas á rúa. A indignación coincide ademais co inicio, onte, do debate para unha fonda reforma do código penal británico. O primeiro ministro, Boris Johnson, dixo estar "profundamente preocupado" pola actuación policial, ao tempo que deu o seu apoio á xefa de Policía, Cressida Dick, segundo informou a canle pública BBC. Ademais, convocou unha reunión ministerial para abordar formas de protexer as mulleres. Porén, desde o Partido Laborista pediuse menos promesas e máis acción. Por exemplo, un endurecemento das penas para o violadores e outro tipo de medidas contra o acoso na rúa. Os laboristas xa anunciaron que votarán en contra da reforma penal, argumentando que no se menciona as mulleres nin unha soa vez nas case 300 páxinas do proxecto de lei. "Gobernador violador" Tamén ao outro lado do Atlántico a chama da batalla feminista continúa acesa. Na noite do domingo, colectivos de mulleres usaron a fachada do Palacio Nacional de México DF ─escenario o pasado 8 de marzo de duros choques entre as manifestantes e as 1.700 axentes da Policía despregadas─ para proxectar diversas mensaxes de denuncia da violencia machista. E tamén para volver denunciar a designación ─oficial xa desde esta pasada fin de semana─ de Félix Salgado Macedonio como candidato a gobernador do Estado de Guerrero nas eleccións de xuño. Concorrerá polo Morena, partido do presidente mexicano, Andrés Manuel López Obrador. Salgado está acusado de violación por varias mulleres, nun país que sofre unha das peores cifras de feminicidios do mundo. As organizacións feministas consideran que as políticas sociais de López Obrador deixan de lado a metade da poboación mexicana, e que durante a súa presidencia pouco se fixo para frear a violencia machista. "Un violador será gobernador", "AMLO [siglas polas que é coñecido o presidente] cae na conta" ou "Non + violencia" foron algunhas das frases proxectadas no edificio sede do Goberno e residencia presidencial, apuntou o xornal La Jornada. Ademais, difundiuse nas redes sociais un documento elaborado por organizacións de mulleres e dirixido a López Obrador, onde se denuncia que México se converteu nun "Estado feminicida" e o seu Goberno ve no feminismo "a súa principal oposición". "Descualificar a violencia na nosa contra normalízaa", apuntan. March 4 Justice E nas antípodas xeográficas, mais cun sentimento próximo, ducias de miles de persoas saíron ás rúas das principais cidades de Australia impulsadas pola onda de acusacións de acoso sexual en altas esferas da política, recolleu ABC. Na súa maioría mulleres vestidas de negro e convocadas pola plataforma March 4 Justice ("Marzo pola Xustiza", facendo un xogo de palabras co número 4 en inglés) exixen catro medidas "inmediatas". Estas son, segundo recollen na súa páxina web: Investigacións independentes con responsabilidade plena sobre os casos de violencia sexista; a implementación das 55 recomendacións da Comisión de Dereitos Humanos Australiana sobre acoso sexual no traballo; maiores axudas económicas para previr este tipo de violencia; e a aprobación dunha lei federal sobre igualdade. As protestas xorden logo de que o fiscal xeral de Australia, Christian Porter, fose acusado hai unhas semanas dunha violación supostamente cometida en 1988, algo que el nega. E tras varias mulleres denunciar que foran violadas na sede do Parlamento polo mesmo home cando traballaban en diferentes postos dentro do Gabinete do primeiro ministro, Scott Morrison. |
NOS_25538 | A contaminación do aire, unha realidade que respiran acotío nove de cada dez persoas no mundo, provoca máis mortes que a pandemia da Covid-19. Non obstante, a situación continúa a ser unha constante até na Galiza, onde se superan a maioría dos parámetros da OMS, incluso nun ano con menos actividade como foi 2020. | "Cabe cualificar o estado global da calidade do aire ambiente na Galiza durante o ano 2020 como bo", subliña o Informe anual da calidade do aire da Galiza de 2020, o máis recente dispoñíbel, elaborado pola Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Iso si, o documento matiza que esta situación está "fortemente influenciada polos efectos do confinamento derivado da pandemia da Covid-19", ao incidir na concentración "dos contaminantes cuxa principal fonte é o tráfico rodado". Non obstante, a avaliación positiva feita pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático está intimamente ligada aos límites de contaminación marcados polo Estado español, que chegan a ser até cinco veces máis altos que os definidos pola Organización Mundial da Saúde (OMS), como acontece no caso das partículas en suspensión de menos de 2,5 micrómetros (5 μg/m3 a OMS e 25 μg/m3 o Estado). Outro tanto acontece coas de menos de 10 micrómetros, 15 μg/ m3 de media anual a OMS e 40 μg/ m3 o Estado; o ozoFáno, 60 μg/m3 de media horaria contra 180 μg/m3; o dióxido de nitróxeno, 10 μg/m3 de media anual e 40 μg/m3, e o dióxido de xofre, 40 μg/m3 de media diaria contra 125 μg/m3. Esta diverxencia de criterios tradúcese en vidas, apunta a OMS, que estima que se producen cando menos 4,2 millóns de mortes prematuras ao ano por mor da contaminación atmosférica, especialmente polo efecto das partículas en suspensión máis pequenas, as PM2,5, que poden acceder ao torrente sanguíneo e ás vías pulmonares. Esta cifra supera o número de defuncións provocadas pola pandemia de SARS-CoV-2 en 2021, no que perderon a vida 3,5 millóns de persoas. O organismo cuantifica que arredor de 58% destes falecementos chegan como consecuencia de doenzas coronarias e accidentes cardiovasculares, 18% por infeccións respiratorias e enfermidades pulmonares obstrutivas crónicas, e 6% por cancro de pulmón. Un recente estudo destaca que até un terzo das persoas falecidas só polas PM2,5, 30 millóns de persoas entre 2000 e 2019, poderían terse salvado de cumprirse cos límites da OMS, que daquela eran superiores ao limiar actual. "Nove de cada dez persoas" do planeta viven en lugares cunha contaminación superior á permitida, advirte Carmen Diego, xefa do servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e membro da Sociedade Galega de Patoloxías Respiratorias. Diego insiste en que o ideal é "cumprir os estándares do aire da OMS con respecto a todos os elementos da contaminación", e explica a diverxencia entre os seus criterios e os marcados polo Estado en que "desde o punto de vista da actividade industrial (a principal causa da contaminación xunto o tráfico rodado)", os niveis da OMS "son difíciles de conseguir", polo que a lexislación opta por "flexibilizar os límites". Con todo, reitera a importancia para a saúde de que os territorios cumpran con estes límites, incidindo na ampla gama de doenzas provocadas pola contaminación, desde o aumento dos casos de asma a cancro de pulmón ou ictus. Dióxido de xofre Os límites de dióxido de xofre son os únicos que se cumpren entre os elementos que xeran contaminación no aire na Galiza, con apenas dúas superacións anuais dos marcadores en 2020 para este gas incoloro provocado polos combustíbeis fósiles que conteñen xofre. Dióxido de nitróxeno Os procesos de combustión tamén emiten dióxido de nitróxeno, NO2, unha das fontes das PM2,5 e PM10. Malia que a Administración recolle no informe da calidade do aire que os límites non foron superados, unha vez aplicada a normativa da OMS obsérvase que incluso nun ano con menos tráfico e actividade industrial polo coronavirus, e co feche programado da central térmica de ciclo combinado das Pontes, todas as cidades galegas -agás Lugo, que se atopa no limiar- superan os 10 μg/m3 anuais estabelecidos pola entidade sanitaria. A maior concentración deste contaminante sitúase sobre Pontevedra, Ferrol, A Coruña, Vigo e Ourense, de feito, estas tres últimas urbes chegan a duplicar os límites marcados. Ozono O O3 é o resultado da reacción fotoquímica entre a luz solar e contaminantes procedentes polos vehículos e a industria, e atópase no país nun estado semellante ao do NO2. Medio Ambiente fai fincapé en que non se superaron os 120 μg/m3 durante máis de 25 días. Amais de ter un límite máis baixo, a OMS considera seguro que non se superen os límites máis de 3-4 días ao ano. Nese sentido, até catro estacións de control reportaron datos coherentes con estas cifras, observándose o maior número de superacións no sur e oeste da capital do país, Santiago de Compostela, e nas comarcas do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta. As estacións de medición con máis rexistros, aínda cos requisitos máis laxos, é a de Buscás, en Ordes, con seis superacións, e a de Campelo, en Poio, con sete. Partículas en suspensión En todo o territorio galego, recoñecen os datos ofrecidos pola Administración, supéranse os límites da OMS no elemento da contaminación atmosférica que máis dano provoca na saúde humana, as PM2,5, sobre todo nas cidades. No que atinxe ás PM10, que poden entrar directamente nas vías respiratorias, tamén se superan os límites en boa parte da Galiza, con Lugo, Compostela e Pontevedra no limiar, que se supera con claridade na Coruña, Ferrol, Vigo e Ourense. A pesar destas cifras, Cristóbal López, de Ecoloxistas en Acción, critica que Concellos como Vigo sitúen algúns dos seus medidores en zonas verdes, polo que non rexistran a contaminación real que respiran a diario as cidadás e cidadáns. Un problema das cidades "O problema está nas cidades ou á beira de polígonos con industrias moi contaminantes, que polo xeral están moi perto das cidades", destaca López, que tamén sinala o tráfico como o causante principal, polo que excluiría Pontevedra desta listaxe de non estar Ence. "Que marquen os límites que queiran pero que os cumpran", reclama. |
NOS_51183 | Os resultados acadados nestes últimos anos están a revelar a importancia deste xacemento para o estudo da Prehistoria en Galiza. | A Facultade de Xeografía e Historia acolleu a presentación dos resultados dos achados arqueolóxicos no xacemento paleolítico de Cova Eiros (Triacastela). Os responsábeis do proxecto, Ramón Fábregas e Arturo de Lombera, explicaron que se está a avanzar no coñecemento dos modos de vida e mundo simbólico dos últimos grupos de neandertais e os primeiros humanos modernos no norte peninsular. Ao tempo, avánzase para aclarar aspectos do proceso de extinción das últimas comunidades de neandertais do norte e cuestións relativas ás representacións artísticas realizadas por este grupo no contexto da cova. Actualmente, a escavación do nivel 3, datado no Paleolítico medio, e a recuperación de máis de dez mil rexistros e pezas na cavidade confirman a Cova Eirós como un dos xacementos de referencia para o estudio da evolución dos modos de vida, da tecnoloxía, da fauna e das condicións paleoclimáticas das comunidades prehistóricas de cazadores colleiteiros que ocuparon Galiza hai 40.000 anos. As novas datacións absolutas confirman ao grupo de neandertais ocupante de Cova Eirós coma un dos últimos que habitaron no norte peninsular, xusto antes da chegada do Homo sapiens a este territorio Novos resultados Os resultados acadados nestes últimos anos están a revelar a importancia deste xacemento para o estudo da Prehistoria de Galiza. Os estratos escavados conteñen vestixios que comezan coas últimas comunidades de neandertais e seguen cos grupos cazadores do Paleolítico superior, os primeiros agricultores do Neolítico e chegan ata as comunidades campesiñas de época Altomedieval. As intervencións realizadas en Cova Eirós foron dirixidas desde o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noreste (GEPN-ATT) da USC, en colaboración cun importante equipo de investigación do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES), da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona. Conta co apoio económico da Consellería de Cultura. |
PRAZA_12242 | Este mércores comezou na Illa de San Simón a segunda edición do encontro NeThinking, que reune durante dous días expertos en redes sociais e comunicación en rede, como Antonio Delgado, Eduardo Arcos, Marilín Gonzalo, Javier Celaya ou Mario Tascón, consultor e cunha traxectoria que inclúe a dirección de Prisacom ou o impulso de Lainformacion.com, do que foi editor. | A Illa de San Simón acolle, mércores e xoves, a segunda edición do encontro #NeThinking, que reune expertos en redes sociais e comunicación en rede, como Antonio Delgado, Eduardo Arcos, Marilín Gonzalo, Javier Celaya ou Mario Tascón. Nas dúas xornadas do evento debaterase sobre os cambios que Internet está provocando na comunicación, tanto nos hábitos coma nos modelos de negocio do xornalismo e da cultura. Mario Tascón, consultor e director de Prodigioso Volcán, foi clave nos lanzamentos dalgúns dos proxectos de comunicación dixital máis exitosos no Estado español. En 1994 creou elmundo.es e converteu a páxina en líder da comunicación en castelán. Entre 2000 e 2008 foi director de contidos de Prisacom e máis recentemente foi un dos impulsores de LaInformacion.com, que abandonou o pasado ano. En que medida as redes sociais e as ferramentas de comunicación online están modificando os hábitos comunicativos dos cidadáns? Hai unha grandísima parte da comunicación que é pública, non privada; agora hai cousas que se escriben e que as ve toda a xente. E tamén en termos de globalidade: lemos a xente de todo o mundo e influímonos mutuamente. Dilúense as fronteiras entre o público e o privado, e a clave non está en definir novas fronteiras, senón en entender que eses conceptos son distintos a como os coñecemos. Ademais, o poder está máis distribuído: Antes os medios tiñamos o monopolio da xerarquización da información, e agora iso fanno as redes sociais tamén. Antes os medios fabricabamos a información, e agora tamén o fan directamente os cidadáns. Antes facía falta unha concesión administrativa ou facer un grande investimento económico para difundir contidos. Agora todos poden publicar Os medios están adaptándose a estes cambios coa velocidade necesaria? Están cambiando os hábitos da xente e con eles os modelos de negocio dos medios de comunicación. Os vellos modelos derrúbanse, e a reconversión non é sinxela. Están aparecendo medios novos e novos actores, que están tendo un papel importante. Os cambios, ademais, son moi rápidos. Hai de todo. En moitos medios prima máis o medo ao que poden perder que a comprensión das oportunidades que se abren. Como vai afectar a Lei Sinde-Wert, da que esta semana coñecemos as primeiras denuncias concretas contra webs? Afecta negativamente, porque esta lei vai ralentizar o desenvolvemento das industrias dixitais en España. Cercena as posibilidades de crecemento de moitos negocios honrados e lexítimos, non estamos falando de megaupload. Vainos situar a España á cola e dificulta o desenvolvemento económico pero tamén o cultural. Internet é un espazo que incomoda moitos poderes tradicionais, ese empoderamento dos recepctores e de novos actores non lles gusta a certos poderes dominantes. A lei Sinde-Wert está moi ligada a intereses económicos alleos a España, por exemplo os da industria norteamericana do entretemento. Os debates pódense seguir en twitter no hashtag #NeThinking2012 |
NOS_10171 | O deputado do Partido Popular da Galiza Alberto Pazos Couñago defendeu o pacto acadado polos populares en Andalucía con Vox porque "axudou a acabar coa corrupción sistémica" do PSOE. | O deputado do Partido Popular de Galiza Alberto Pazos Couñago defendeu o pacto alcanzado polos populares en Andalucía con Vox porque "axudou a acabar coa corrupción sistémica" do PSOE. Couñago pronunciou estas palabras durante o debate dunha iniciativa na sesión plenaria que acolleu o Parlamento da Galiza. Unha proposición non de lei proposta do grupo mixto solicitaba que a Cámara se posicionase contra a organización de eventos deportivos en países onde se violan os dereitos das mulleres. "Atrévense a criticar o pacto con Vox, que axudou acabar coa corrupción sistémica do PSOE. Son os mesmos que buscan un pacto co señor (Arnaldo) Otegi ou cos independentistas condenados por sedición", dixo Pazos Couñago durante o seu intervención no debate da proposta, aprobada finalmente por unanimidade após introducir unha emenda do Grupo Socialista. |
NOS_6784 | A directiva da Anpa San Isidro do CPPI Os Dices iniciará a segunda feira esta mobilización, que terá duración ''indefinida''. Lamentan o "pouco interese" da Consellería en atender os problemas do centro. | A partir desta segunda feira, 23 de marzo, familias de Rois non enviarán os seus fillos ao CPPI Os Dices deste concello coruñés. Unha medida que adoptan con carácter "indefinido" e fartos de agardar por unha solución ás problemáticas do centro que veñen denunciando de vello. En concreto dúas delas, a perda de 50 minutos semanais de docencia para os alumnos de secundaria e o incumprimento do descanso e do tempo para xantar ao mediodía que marca a lei, e que afecta a todo o alumnado. A directiva da Anpa San Isidro do CPPI Os Dices de Rois informa que se reuniron a comezos de marzo con Inspección Educativa para anunciarlle que, se ninguén da Consellería de Educación se reunía con eles nun prazo breve, "as familias non levariamos os nosos fillos ao centro durante un periodo de tempo indefinido". Pasaron días sen ter resposta. AANPA comunicoulles a representantes da Xunta que o 23 comezarían co protesto. "E pasada semana convocáronnos, a través do alcalde de Rois, a unha xuntanza na Xefatura Territorial da Coruña para o día 18, na que íamos asistir acompañados do alcalde e do director do CPPI. Esta xuntanza foi confirmada pola Xefatura Territorial por vía electrónica o día 17 de marzo". Mais, afirma a Anpa, "cal é a nosa sorpresa cando o propio 17 ás 14:45 horas a Xefatura Territorial desconvoca a xuntanza a golpe de teléfono e por mail". Chegados a este punto, "á vista do pouco interese de Educación", a asociación reitera que o próximo luns 23 as familias do CPPI Os Dices "non imos levar os nosos fillos ao centro; esta medida prolongarase de maneira indefinida ata que se nos propoña unha solución. O propio luns faremos unha concentración diante do colexio". |
NOS_41259 | Ciudadanos leva ao Congreso unha proposición para que as seleccións de fútbol 'autonómicas' non poidan xogar partidos oficiais contra seleccións doutros países. Algo que xa non poden facer. | As seleccións de fútbol de Galiza, Euskal Herria e Catalunya non poden xogar competicións oficiais. De feito, nos tres países hai plataforma populares que pulan porque se lles recoñeza o dereito a poder facelo. Que 'A Irmandiña' poida estar nunha Eurocopa ou Mundial, dereito que teñen Xibraltar, Gales, Escocia ou as Illas Feroe, entre outras. Mais Inés Arrimadas quere prohibir o que xa está prohibido. Quere que a selección galega e as outras seleccións 'rexionais' non poidan competir nin oficialmente nin internacionalmente. Ciudadanos impulsa unha proposición non de lei no Congreso para que sexa a selección española, e só ela, quen no Estado poida competir a ese nivel. Como acontece agora, vaia. "Defendemos á Selección española, a única que nos representa a todos", afirmou a líder de Cs "Defendemos o que é de sentido común, que é que a selección nacional é a que representa España a nivel nacional. Defendemos á Selección, a única que nos representa a todos", dixo. "Imos rexistrar unha proposta no Congreso para defendela", proseguiu. Cs dá este paso despois de que desde a Federación Vasca de Fútbol se falase da posibilidade de impulsar iniciativas para que a selección galega poida competir en FIFA e UEFA. Segundo medios madrileños, a intención de Arrimadas é que ao Congreso asistan ex futbolistas, nomean Iker Casillas e Fernando Torres, para defender a iniciativa. |
PRAZA_8087 | Foi o visionario e incubador de empresas tan exitosas como Tuenti ou BuyVip e ofrecerá a conferencia e apertura do evento, que se celebrará o 22 de marzo en Santiago. Ademais, cinco emprendedores explicarán o seu proxecto de negocio en internet. | O vindeiro 22 de marzo celébrase en Santiago a terceira edición de Compostweets, o Encontro Anual do Social Media en Galicia, que nesta ocasión xirará ao redor dos negocios en internet, o emprendemento online e o marketing dixital. Celebrarase pola tarde no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG). A entrada será libre e poderase seguir a través de streaming Rodolfo Carpintier será o encargado de inaugurar o evento cunha conferencia titulada Cómo Internet pode salvar a túa empresa... ou afundila, na que debullará a realidade do mundo dos negocios web, as súas estratexias, a súa posta en marcha e as claves para o éxito ou fracaso do emprendemento en internet. Carpintier foi incubador de empresas tan exitosas como Tuenti ou BuyVip, a través de Digital Assets Deployment (DAD) empresa da que é presidente, e foi bautizado pola prensa económica coma "o Goldman Sachs español", por ter sido capaz de detectar as posibilidades e investir en proxectos tan importantes como a rede social Tuenti, comprada por Telefónica o ano pasado; ou a empresa de venda online BuyVip, adquirida por Amazon en 2010. Apostou por elas na súa fase de start up, cando aínda daban os seus primeiros pasos, e deulles saída dunha forma absolutamente exitosa. "A nós interésanos o negocio e por iso entramos na fase na que entran os amigos ou as familias, non buscamos o control das compañías", afirma. A segunda parte de Compostweets 2013 é a do Business Web, un espazo no que se lle dará voz a cinco emprendedores para explicar o seu proxecto de negocio en internet A segunda parte de Compostweets 2013 é a do Business Web, un espazo no que se lle dará voz a cinco emprendedores para explicar o seu proxecto de negocio en internet. O blogueiro tecnolóxico David Serantes, CEO de Serantes&Cía; Manuel García, director de operacións de la red Unio; José Manuel García Pérez, director de Innova Idiomas; o avogado 2.0 Enrique Soria, de Movendo; e José Luis Cabarcos, director xeral de IFFE; son os titores que acompañarán os emprendedores na preparación dos seus proxectos para ser presentados no Business Web. A mellor idea terá como recompensa un curso de e-commerce coa Escuela Europea de Negocios da man da Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (AJE Galicia). A última das intervencións de Compostweets 2013 correrá a cargo de Rubén Bastón, Social Media & SEO Director en Elogia, que exporá as claves de O marketing dixital como acelerador das vendas online. |
PRAZA_882 | O presidente da Xunta apóiase na situación da economía para explicar o seu cambio de posición pública, aínda que o PIB decrecía máis tanto en 2009 como en 2012, cando incluíu a saída da fábrica no seu programa electoral. Lores subliña que o PP sempre "apostou" por manter a pasteira na ría. | Lores subliña que o PP "sempre" apostou por "consolidar" a pasteira na ría Xuño de 2009. O novo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, realiza unha visita á cidade e reafírmase na promesa de trasladar a fábrica de ENCE fóra da ría, unha "decisión persoal" incluída no seu programa electoral. "Non cabe a posibilidade de manter ENCE na ría", afirmou. Outubro de 2012. O PP volve ganar as eleccións autonómicas e faino cun programa electoral no que explicita a súa "aposta para que ENCE abandone o seu actual emprazamento". Ambas promesas, unha lanzada dende a oposición e outra dende o Goberno, foron formuladas en plena recesión económica, a mesma á que agora apela o presidente para abxurar da súa promesa e apoiar que a pasteira siga onde está máis alá de 2018, cando caduca a súa concesión. Despois de aproveitar a sesión de control do pasado mércores para escenificar por primeira vez o seu cambio de postura Feijóo foi cuestionado ao respecto este xoves pola prensa. Que cambiou dende que formulou a súa proposta? "O que muda son dúas cousas -explicou-: unha profunda recesión económica que castiga duramente o sector industrial da comunidade autónoma" e tamén "a lexislación", que agora fai que "quen ten que decidir se unha industria se mantén é o Goberno de España". Neste contexto, asegura, "non é de recibo escoitar" dende as bancadas da oposición que "desapareza a industria forestal e madeireira en Galicia", di, sen mencionar a posibilidade do traslado que el mesmo prometeu. Feijóo apoia a súa viraxe na "profunda recesión económica", máis intensa cando prometeu o traslado Pero, é realmente máis acusada a recesión económica agora que en 2009 ou 2012? Os datos din que non. Cando Feijóo reafirmou a súa aposta por trasladar ENCE, tras tomar posesión, o PIB galego retrocedía a un -4,9% interanual e a un -1,1% intertrimestral, segundo datos do IGE. Cando o fixo por segunda vez, no programa das últimas autonómicas, a recesión era do -1,8% interanual e do -0,5% intertrimestral. Os datos máis recentes do produto interior bruto amosan unha imaxe de avance moi leve, de práctico estancamento, pero, en todo caso, cun crecemento do 0,4% que, obviamente, non representa unha recesión maior que a de 2009 e 2012, cando o presidente prometía que a fábrica deixaría o seu actual emprazamento. O cambio da lei, anunciado antes da segunda promesa O PP incluíu o traslado no seu programa despois de que o Consello de Ministros lle dese luz verde inicial á reforma da Lei de Costas Os datos de crecemento económico non sustentan a afirmación presidencial no que atinxe ás promesas de 2009 e 2012 e o cambio lexislativo non o fai a respecto das de 2012. Se ben é certo que a reforma da Lei de Costas que facilita a permanencia de ENCE na ría non se aprobou definitivamente no Congreso dos Deputados ata maio de 2013, despois das eleccións galegas, non o é menos que o anteproxecto de lei xa recibira o visto e prace do Consello de Ministros en xullo de 2012, dous meses antes de que Feijóo presentase formalmente o programa electoral no que volveu incluír a promesa do traslado. Dado que o PP conta cunha folgada maioría absoluta nas Cortes nada facía indicar que o departamento estatal de Medio Ambiente, na altura dirixido por Miguel Arias Cañete, fose cambiar de criterio durante o trámite parlamentario. Neste escenario, Feijóo abonda na cuestión para afirmar que "estamos traballando nun contexto de que a Administración Xeral do Estado é a que decidirá ou non" se ENCE pode ficar onde está, e á Xunta só lle corresponde emitir "o informe previo" a respecto de se a factoría cumpre ou non "toda a lexislación medioambiental", algo que, di, o Goberno galego garantirá "ao mil por cen". Así as cousas, o titular da Xunta vén advertir de que o seu Goberno ten unha escasa marxe de manobra para decidir sobre ENCE pero, ao tempo, esixe que os grupos da oposición no Parlamento galego "digan exactamente" cal é o seu "posicionamento económico e social" sobre esta factoría. En plena 'guerra' co sector da madeira A patronal do sector madeireiro asegura que ENCE tamén apoia a súa recente ruptura de relacións coa Xunta A viraxe do tamén líder do PP en Galicia chega a pouco máis dun mes das eleccións municipais, pero tamén en plena 'guerra' da Xunta co sector da madeira. Despois de meses de tensións a patronal do sector, Confemadera, decidiu rachar as relacións co gabinete de Feijóo entre denuncias de "desatención e falta de solucións" ao seus problemas. Nunha entrevista concedida a Campo Galego a secretaria xeral desta organización sectorial, Ana Oróns, advertía de que, alén de posibles discrepancias por cuestións como a extensión do eucalipto, en Confemadera "non se fai nada que non validen os órganos de dirección", no que as decisións son tomadas "por unanimidade". Polo, advirte, "toda a dirección de Confemadera, ENCE incluída", "validou a decisión" de rachar relacións coa Xunta. Con este pano de fondo dende o atril do Consello da Xunta equipara a súa defensa da factoría pontevedresa coa do sector forestal no seu conxunto. "Estamos a falar de miles e miles de empregos no sector da madeira", asegura o presidente, para quen ENCE é en Pontevedra "o que é Citroën en Vigo ou Inditex na Coruña, facendo todos os axustes"; proclama. "Temos que decidir o futuro do sector forestal galego", afirma, nun contexto no que, ao seu xuízo, reclamar o traslado de ENCE implica pular pola "desparición da industria forestal e madeireira en Galicia". |
NOS_57507 | Nas marxes hai moita vida, hai avances que no centro son imposíbeis, compromisos de máis, moita presión, no centro a cousa é seria, hai solemnidade. Na marxe improvísase, pode un fartarse de rir, hai humor e fantasía, hai liberdade, pódese arriscar e se falla tanto ten, total: é unha arte menor. Daquela, nos anos vinte e trinta, era así. | Manuel Abelenda (1889-1957) e os seus traballos de deseño gráfico son un exemplo cumprido do que fai e non pode –e non quere– facer na pintura, na arte maior que era o óleo sobre lenzo no século XIX e parte do XX. Aí Abelenda está cinxido, practica un ríxido paisaxismo no que tenta introducir a artificiosa luz mediterránea e un costumismo galego amábel, con certo engado, si, pero todo moi agarrotado. Nos traballos de deseño, na arte menor, Manuel Abelenda anda solto, rise, e practica un modernismo desenfadado cun chisco de expresionismo e aínda, no cartel que se mostra aquí no centro da páxina, xa con moito art-decó, estamos aí en 1934. Canta retórica! Ben expresada, desde logo, a pesar do compromiso da encomenda, porque é un traballo para os propios colegas da Asociación de Artistas da Coruña. Retorce a figura, xeometriza as formas, debuxa co fume precursores cal deuses áticos, que ascenden nunha neboenta vertical etérea, entre liñas oblicuas que fugan a ceos diversos. As oblicuas viñan obrigadas polas linguaxes vangardistas. Canta complexidade! Pero bótase de ver nos traballos de Abelenda o coidado pola rotulación, tan importante como a ilustración. O coñecemento das letras é común aos facedores de imaxes, aos artífices dos requintados discursos visuais que naquela altura son tamén os pintores. Letras que Abelenda procura modernistas, de fantasía vienesa, quizais vistas, aprendidas, nas súas viaxes de estudos por Europa en 1914 e logo en 1930. O deseño gráfico irrompía xa con forza nos anos vinte, aparecían as revistas ilustradas, os libros de tiraxes grandes, o xénero do cartel... axudaba a todo isto a implantación de talleres litográficos como o de Roel na Coruña, xurdía a publicidade, quizais todos estes novos medios rebuliran nos faladoiros do seu atelier na praza de María Pita da Coruña. Abelenda tiña unha formación académica, da Escola de San Fernando, e na cultura daquel Madrid de principios do século XX as vangardas non eran benvidas, pero polas físgoas e as fendas, que o deseño abre na acartonada cultura oficial, entraba xa a celebración colorista, as diagonais, e todo o efervescente repertorio formal que Abelenda asume aínda con fórmulas modernistas como as orlas que dotan de certa solemnidade o Tesoro del campesino ou ao Almanaque Gallego de 1924. Abelenda e algúns outros artistas galegos facían xa do deseño gráfico unha arte maior. |
PRAZA_16910 | Co candor cívico propio da boa xente común, tendemos a esquecer quen é ese ominoso inimigo. E vostede axudounos a recordalo. Así que: grazas, señora Cifuentes. E agora faga o favor e desapareza da nosa vista. | Moi pesado é o vilipendio que nas últimas semanas está a cubrila, señora Cifuentes. Desde que eldiario.es desvelou o seu xeito expeditivo de obter un máster pola URJC, centos de voces acusárona de mentireira, trampona, desvergoñada, indecente e deshonesta. E todo porque parece que incluíu no seu currículo un mestrado regalado, un título falso, obtido sen asistir ás clases preceptivas, sen facer os exames e sen presentar e defender o traballo fin de máster. Se cadra algún día, cando repase esta etapa da súa vida, vexa que o mellor que podía facer era comportarse con dignidade e dimitir decontado. O mellor para a súa rexión, o mellor para a universidade pública, o mellor para o seu partido e o mellor para vostede Vostede e outras persoas distinguidas foron pilladas deshonrando a súa condición de servidoras públicas tras participaren neste amaño ofensivo. Debeu de ser unha experiencia ben embarazosa. Despois de todo, vostede preside o executivo autonómico madrileño, e debe de ser durísimo comparecer publicamente despois de cometer unha falcatruada coma esta. E a ver se os tribunais de xustiza non acaban vendo nestes actos unha prevaricación, unha falsidade documental e un encubrimento! Se cadra algún día, cando repase esta etapa da súa vida, vexa que o mellor que podía facer era comportarse con dignidade e dimitir decontado. O mellor para a súa rexión, o mellor para a universidade pública, o mellor para o seu partido e o mellor para vostede. Pero unha boa análise de consecuencias só adoita ser relativamente fácil de facer a posteriori. En pleno accidente, pola contra, non é nada doado despexar a cabeza de todo o que nubra o raciocinio: o shock, o desconcerto, o enfado, a humillación, a negación. Dadas as circunstancias, vilipendiala élle ben fácil. E tamén inxusto. Porque temos moito que lle agradecer, señora Cifuentes. Vostede dedicoulle toda a súa vida política ao Partido Popular, é dicir, a servir as elites tradicionais, cuxa causa se reduce, desde hai xeracións, a conservar e multiplicar a riqueza espoliada á xente corrente, que acabou mirando para vostedes coa confianza resignada que nace do costume. Afixémonos a ver como as clases para as cales vostede traballa, e de cuxos vicios –entre os cales destacan a malicia e a preguiza– parece que acabou contaxiándose, viven nun espazo sórdido onde o privilexio e a corrupción negan de raíz a igualdade de oportunidades que a democracia esixe. Tanto nos habituamos a esa indixencia moral que moitos de nós mesmo acabaron votándolles! Co candor cívico propio da boa xente común, tendemos a esquecer quen é ese ominoso inimigo. E vostede axudounos a recordalo. Así que: grazas, señora Cifuentes. E agora faga o favor e desapareza da nosa vista Por iso non estamos a ser xustos con vostede. Porque mentres os contribuíntes se sacrifican para que a sufrida xente moza poida conseguir con esforzo e intelixencia o que vostede e os seus adquiren por ser vos quien sois, vostede lembrounos que, como dicía Tony Judt, os ricos non queren o mesmo que os pobres. Vostede devolveunos unha vez máis á brutal realidade dunha guerra de clases que Warren E. Buffett recoñeceu cando dixo que son os ricos coma el, que vostede representa, quen a están a librar e a gañar. Hai pouco, Suso de Toro dicía que "quen mellor sabe o que nos convén é sempre o noso inimigo". O problema é que, co candor cívico propio da boa xente común, tendemos a esquecer quen é ese ominoso inimigo. E vostede axudounos a recordalo. Así que: grazas, señora Cifuentes. E agora faga o favor e desapareza da nosa vista. Publicidade {C}{C}{C}{C}<a data-cke-saved-href='http://taboleiro.praza.gal/delivery/ck.php?n=afb54f86&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE' href='http://taboleiro.praza.gal/delivery/ck.php?n=afb54f86&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE' target='_blank'><img data-cke-saved-src='http://taboleiro.praza.gal/delivery/avw.php?zoneid=398&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&n=afb54f86' src='http://taboleiro.praza.gal/delivery/avw.php?zoneid=398&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&n=afb54f86' border='0' alt='' /></a> |
QUEPASA_884 | O Día Mundial da Saúde Mental ten como ten principal o suicidio, unha realidade silenciada | Hoxe, 10 de outubro, é o Día Mundial da Saúde Mental. Este ano, está dedicado a un dos problemas máis importantes da nosa sociedade, que fica silenciado por un estrano silencio corporativo. A propia Organización Mundial da Saúde (OMS), identifica o suicidio e os seus intentos como un dos problemas máis graves de saúde pública.Por iso, despois de anos nos que os medios de comunicación obviamos estes asuntos nun intento de non fomentar o "efecto chamada", son as asociacións as nos piden que comecemos a romper cos tabús, e comecemos a tratar a problemática como merece, cun trato prioritario. Sempre coa intención de escapar do morbo, ofrecendo información das posibles vías de saída do túnel, ao tempo que concienciamos á sociedade e esiximos que os gobernos prioricen o suicidio como problema de saúde pública e que desenvolvan estratexias integrais multisectoriais de prevención. Así o reflicten os datos: En Galicia morren unhas 300 persoas ao ano por esta causa (case un ao día, cunha taxa de 11,95 suicidios por cada 100.000 habitantes). Pero é que no mundo suicídase unha persoa cada 40 segundos, e en España é a principal causa externa de mortalidade con arredor de 10 suicidios diarios. Na Costa da Morte non somos alleos a esta realidade. De feito, a familia de APEM Cee vai desenvolver este mesmo xoves varias accións no marco do programa CONECT@ coa VIDA que desenvolve en toda Galicia a federación Saúde Mental FEAFES Galicia. "É preciso traballar a prevención, a detección, o diagnóstico e o tratamento necesario. É preciso facer un chamamento para visibilizar a problemática do suicidio, un problema sanitario e social de gran relevencia en Galicia", explica unha das responsables da familia ceense Zaira Rodríguez. APEM levará unha mesa informativa ao HVdX e tamén fará unha concentración na praza 8 de marzo ás 12:00h, onde lerá un manifesto. Preparan ademais un posto informativo para o 24 de outubro en Vimianzo, e a V Comida Solidaria do día 26 en Cerqueda. |
PRAZA_4968 | O prestixioso Santiago Dexeus encabeza a presentación dun manifesto de profesionais médicos contra o proxecto do Goberno e pídelle aos seus "amigos do PP" que "acudan á intelixencia e non á ideoloxía ou ás crenzas relixiosas". O manifesto advirte de que a actual lei "funciona" e alertan do posible incremento de abortos inseguros se o proxecto é aprobado. | "Esta lei supón un flashback terrorífico", comezaba a súa intervención o profesor e xinecólogo Santiago Dexeus Trías. Este reputadísimo obstetra, que atendeu o parto dos dous fillos de Mariano Rajoy na súa clínica de Barcelona, encabezou este venres a presentación dun manifesto asinado por case 2.000 profesionais sanitarios contra a reforma da lei do aborto que impulsa o Goberno. Facíao xunto a outros referentes de Xinecología e Psiquiatría, os doutores Javier Martínez Salmeán, Eudoxia Gai Pamos e Pilar Martínez Ten, quen defenderon que o proxecto elaborado polo ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, "vulnera os dereitos das mulleres e converte erroneamente o aborto nun problema psiquiátrico". "Se algo funciona ben, para que cambialo?". Con esta frase resumía o xinecólogo Martínez Salmeán a idea que defenderon todos os relatores: a vixente Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo aprobada en 2010 funciona. "Reduciu o número de abortos e garante a seguridade de profesionais médicos e mulleres", afirmou Martínez Ten, tamén xinecóloga e experta en diagnóstico prenatal. Os relatores pediron ao Goberno que non aprobe unha lei que carece de demanda social só por motivos ideolóxicos. "Pode que eles tamén o pensen" Todos os asinantes lembraron que as leis máis restritivas non reducen o número de abortos, senón que aumentan os abortos inseguros. "Non quero volver ver a mulleres que acoden con hemorraxias ao hospital porque tentaron abortar de maneira clandestina nin a "nenas ben" nas ringleiras dos aeroportos para abortar en Gran Bretaña", asegurou o doutor Dexeus. "As mulleres seguirán interrompendo os seus embarazos. As que teñan diñeiro marcharán ao estranxeiro e as que non acudirán a alternativas inseguras". Dexeus fai un chamamemtno para rematar coa hipocrisía e desbotar as crenzas relixiosas neste debate Santiago Dexeus asegurou que esta norma marxina as mulleres e as considera frívolas "cando, como médico, podo dicir que as interrupcións do embarazo son decisións moi duras e meditadas". Dexeus facía un chamamento para que se acabe con tanta hipocrisía". "Coñezo e son amigo de varios políticos do Partido Popular que sei que non se enfadarán porque defenda aquilo no que creo", explicou. E vai alén: "Poida que eles tamén o pensen. Eu pediríalles que acudan á intelixencia e non á ideoloxía nin ás crenzas relixiosas neste sentido", afirmou. Á pregunta de se entre os seus amigos do PP se conta o presidente do Goberno, Dexeus contestou cun sorriso. En 2005, cando naceu o seu segundo fillo, Juan, Rajoy chanceou cos xornalistas sobre a 'catalanidade' da súa prole, xa que os dous nenos naceron en Barcelona, na clínica Dexeus. O líder do PP atribuíu a decisión á súa muller, Elvira Fernández. "É un problema de confianza, como tantas cousas na vida da miña muller, no doutor Dexeus", manifestou entón Rajoy. Máis inseguridade para mulleres e médicos? Os médicos alertaron das consecuencias médicas na saúde das mulleres que suporía a aplicación da lei. "Por unha banda, as feridas físicas debido a interrupcións inseguras e, doutra banda, as secuelas mentais se conseguen abortar de maneira legal" pola complexidade dos novos procedementos, alegou Gai Ramos. A doutora Martínez Ten coincidiu en destacar o sufrimento que deberán soportar as mulleres debido á longa lista de trámites que deberán seguir aquelas que queiran interromper os seus embarazos, que "farán imposible na práctica abortar debido a malformacións no feto". A xinecóloga lembrou que os abortos por este motivo supoñen unha porcentaxe moi pequena en España (3%), e mostrouse sorprendida de que se converteu no foco do debate. Os médicos presentes, eminencias nos seus respectivos sectores, enviarán o seu manifesto á Presidencia do Goberno, ao Ministerio de Sanidade e ao de Xustiza. Nesta ocasión, non foron consultados nin antes nin despois da redacción da reforma, como xa denunciaron asociacións de defensa dos dereitos das mulleres. Martínez Salmeán, por exemplo, formou parte do equipo de expertos que traballaron nas dúas leis anteriores: a actual e a de 1985. "Imos loitar con todos os nosos medios para que esta lei non salga adiante. E se é así, haberá casos de insubmisión", asegurou Martínez Salmeán. "Imos loitar con todos os nosos medios para que esta lei non salga adiante. E se é así, haberá casos de insubmisión" Os dereitos das mulleres e a inseguridade de pacientes e médicos foron as obxeccións máis nomeadas ao Anteproxecto de Lei Orgánica para a protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada do Goberno, que se atopa en trámite de consultas. "Outórgannos un papel que non queremos exercer", aseguraba Eudoxia Gai Pamos. A presidenta da Asociación Española de Neuropsiquiatría criticou a excesiva responsabilidade que o texto adxudica aos psiquiatras: "Obrígannos a decidir polas mulleres, algo que non nos corresponde e que ademais non podemos facer. Temos que certificar un dano grave e permanente na saúde mental das mulleres debido aos seus embarazos cando non hai ningún instrumento que permita chegar a esa conclusión", denunciou. " Non podemos predicilo, teriamos que mentir". "Vai haber, de súpeto, milleiros de enfermas mentais" Ese dano "grave e permanente" supón a consideración das mulleres como enfermas mentais. "Vai haber de súpeto milleiros de enfermas mentais máis en España", ironizaba Gai Pamos. "É algo moi serio. O estigma dunha enfermidade mental pode prexudicar ás mulleres no futuro, nas demandas de tutela dos seus fillos ou ante unha oferta de traballo", proseguiu. "O ministro Gallardón considerou con esta lei ás mulleres como unhas inmaduras. O dereito a decidir das mulleres está moi recoñecido en toda Europa desde hai décadas. Era un dereito conquistado e non podemos compartir este retroceso", apuntaba Martínez Salmeán. |
PRAZA_9824 | O alcalde de Santiago e candidato á reelección afirma que unha unión permitiría abordar materias como o transporte e o parque comarcal de bombeiros ou evitar "absurdos" en ámbitos como os servizos sociais. O goberno de Teo concorda coa iniciativa, da que recea o PSdeG nos tres concellos. O PP concorda con debatelo, pero fóra da campaña, e o BNG ve unha "cortina defume" do rexedor compostelán | É un debate recorrente que, ata o momento, nunca foi alén das propostas máis ou menos teóricas ou dos proxectos políticos para un futuro afastado que nunca dá chegado. A fusión de Santiago con Ames e Teo para crear un novo municipio que rolde os 150.000 habitantes estivo fugazmente sobre a mesa na pasada lexislatura galega, ao fío das dúas fusións impulsadas dende a Xunta, e tamén foi unha das cuestións que pairou sobre a campaña electoral local de hai catro anos. Agora vén de ser reactivado polo alcalde da capital galega, Martiño Noriega, quen tamén como candidato á reelección por Compostela Aberta di crer que "chegou o momento" de pasar das palabras aos "feitos" sobre o que está a tornar nun dos principais debates da precampaña.Martiño Noriega, que xa se amosou partidario da unión en 2015, coida que daquela "o Concello de Santiago non estaba en estado de revista" como para unirse con Ames e Teo, cos que roldaría os 150.000 habitantes nun eventual novo concelloA cuestión reactivouse a pasada semana durante un encontro de Noriega con membros do Club Financeiro da cidade, que están a organizar encontros coas candidaturas das diferentes formacións políticas para coñecer de preto os seus programas para o 26M. "Por que agora e non hai catro anos?". Segundo o rexedor compostelán, porque en 2015 "o Concello de Santiago non estaba en estado de revista para afrontar unha fusión", dende pola "situación económica de débeda importante que foi solucionada", baixando "de 45 millóns de euros a 27" ata a inestabilidade política derivada do mandato no que a cidade chegou a ter tres alcaldes diferentes do PP.Agora, considera, eses problemas xa foron solventados e tamén foron "desbloqueadas" algunhas infraestruturas pendentes como a estación intermodal ao tempo que o tres concellos colaboraban en iniciativas concretas, fundamentalmente no eido cultural. E, ademais, o goberno local comprobou nestes catro anos que non é posible "reorientar" a Mancomunidade compostelá. Por iso, afirma, considera "obrigado pasar da parte declarativa á propositiva real" e non como "bomba de fume", senón coo plan concreto sobre o que "testar dispoñibilidades" tamén cara ás eleccións electorais que, coida, poden "ter un perfil plebiscitario a respecto deste tipo de cuestións".Segundo Noriega, esa fusión serviría para abordar problemas como a consecución parque comarcal de bombeiros, un proxecto no que "se traballou moi seriamente" ata dar posto de acordo á Xunta e á Deputación co propio Concello pero "ese traballo non puido cristalizar" porque o Goberno central non accedeu a modificar o reparto da taxa de reposición para incorporar máis persoal. Tamén, cre, debera servir para "solucionar reclamacións básicas a respecto do transporte" partindo da base de que "en Santiago entran todos os días o dobre de vehículos dos que hai dentro do termo municipal".O alcalde de Santiago e candidato á reelección afirma que unha unión permitiría abordar materias pendentes como o transporte e o parque comarcal de bombeiros ou evitar "absurdos" en ámbitos como os servizos sociaisCoordinar políticas sociais para evitar "absurdos" como os derivados de que un expediente de axudas xa non valla se unha persoa se traslada "dos Tilos a Santiago" ou "de Santiago ao Milladoiro", exemplifica Noriega, son outros dos obxectivos dun proxecto que ademais "suporía un aumento dun terzo das achegas estatais en tributos ao Concello" ao superar amplamente esa eventual "gran capital" os 150.000 habitantes.Noriega advirte de que unha eventual fusión non implicaría centralizar toda a estrutura dos tres concellos no Pazo de Raxoi. Implicaría, anticipa, "manter as unidades administrativas de prestación de servizos" porque "ten que haber, fisicamente, prestación de servizos á veciñanza" e tamén axustar aspectos como a política fiscal diferenciando, por exemplo, áreas urbanas e rurais. Ademais, lembra, "a lei de grandes cidades permite organizar distritos" e "descentralizar a acción municipal".As reacciónsTras lanzar Martiño Noriega esta primeira proposta sucedéronse as reaccións no ámbito político. As primeiras chegaron dende os grupos do PSdeG tanto no Concello de Santiago como en Ames e Teo e nos tres casos o retruque centrouse en considerar a proposta unha "cortina de fume" do alcalde compostelán. Segundo o candidato socialista á alcaldía da capital, o ex-rexedor Xosé Sánchez Bugallo, tras "catro anos" nos que "non se fixo nada" non semella "realista nin oportuno" considerar "a hipótese das fusións". "Hai que avanzar na coordinación, por exemplo, na coordinación de plans urbanísticos" e na "comarcalización de servizos", considera, pero sen falar de fusións que xeran "rexeitamento" noutros concellos.O PSdeG dos tres concellos amósase contrario ás fusións e reitera que a súa aposta é tentar comarcalizar servizos e plans concretosPara Noriega resulta "sorprendente" a posición de Bugallo. "Eu estiven catro anos na Mancomunidade con Pepe Bugallo -evoca- e o único concreto" nese período no ente concibido para compartir servizos foron "xuntanzas, xantares e viaxes a Latinoamérica previos a procesos electorais, aos que eu non asistín nunca". E mentres, reprocha, o antigo alcalde "tvo un grave problema co parque comarcal de bombeiros".O PP de Santiago é partidario de abordar a fusión alén da campaña electoral e o BNG ve na proposta unha "cortina de fume" do tamén candidato de Compostela AbertaO rexeitamento de Bugallo compartiuno tamén o alcalde de Ames, José Miñones, e mais o PSOE teense, que nega o "suposto apoio social" á fusión ao que aludiu Noriega. Nun comunicado o PSdeG de Teo acusa o alcalde da capital de propoñer, realmente, unha "mera absorción" cun "claro gañador, a cidade de Compostela, e unha clara perdedora, a veciñanza teense". Dende o PP o seu voceiro e candidato, o tamén ex-alcalde Agustín Hernández, lembrou que el xa era hai catro anos favorable a explorar a fusión. No entanto, como Bugallo, reprocha a Noriega que non dese pasos para lograla durante o mandato que remata e que retome agora o proxecto porque "as campañas non son o momento". Ao seu xuízo, ese podería ser un dos primeiros "acordos" no vindeiro mandato, pero sen abordalo antes do 26M. O alcalde de Teo concorda coa proposta de Noriega e aposta por redactar un protocolo de fusión no primeiro ano do vindeiro mandatoO BNG, pola súa banda, concorda en interpretar a proposta como "cortina de fume" que non se corresponde co que "están esperando o conxunto dos veciños", que "é que o alcalde mire por solucionar os seus problemas". Varios concellos unidos "non fan un bo" se están "mal xestionados", ilustrou.A proposta de Noriega si atopou apoio no alcalde de Teo, Rafael Sisto. A xuízo de Sisto, é momento de retomar o proxecto e propón ademais unha fórmula para concretalo: que os gobernos locais acorden un protocolo de fusión no vindeiro mandato que despois sexa sometido a un proceso "democrático" entre a veciñanza para aprobalo definitivamente. O debate semella reaberto, resta saber o resultado. |
NOS_13894 | A central sindical pide unha volta á situación na que Galiza tiña plena competencia para ofertas as prezas das oposicións, situación que mudou coa crise económica do 2008 coa introdución da taxa de reposición. | A CIG-Ensino demanda na Mesa de Educación do Estado a "anulación definitiva" da taxa de reposición no sector educativo e un novo sistema de acceso para as profesionais. A petición tivo lugar na xuntanza por videoconferencia convocada polo Ministerio de Educación e FP esta sexta feira. No encontro virtual secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, criticou a "descoordinación da Consellaría de Educación nas primeiras 72 horas da aplicación da emerxencia sanitaria na Galiza, con instrucións contraditorias e que levaron ao sindicato a denunciar publicamente as decisións inicialmente adoptadas pola Xunta". Unhas decisións que cualificou de "irresponsábeis" e "claramente insuficientes" ao manter a obriga de que un membro do equipo directivo permaneza a diario en centros educativos sen actividade, feito que foi recorrido pola central sindical. O motivo central da convocatoria foi a necesidade do Ministerio de modificar novamente o Real Decreto 276/2007 polo que se rexen as oposicións aos corpos docentes, segundo traslada a CIG-Ensino. "A razón nace da contradición entre o texto reformado no ano 2018", explica Bermello, "que extende até a oferta de emprego de 2019 da posibilidade de ofertar máis prazas que as que son froito de xubilacións e defuncións (o que se denomina taxa de reposición), podendo ampliar a oferta con prazas estruturais ou vacantes ocupadas por persoal interino". Para que esa medida se poda estender ás ofertas públicas de emprego (OPE) de 2020, o Ministerio precisa levar a cabo agora outra introduce modificación. Para o sindicato maioritario no sector educativo na Galiza a taxa de reposición debe ser suprimida "para podermos voltar á situación previa a 2010, cando cada territorio tiña plena competencia para ofertar as prazas docentes que considerase oportuno, sen estar atado pola taxa de reposición·. "Todo o demais serán, como esta modificación, parches insuficientes", sinalou Bermello. Oposicións na Galiza "A dúbida que neste momento temos todas e todos sobre que vai pasar finalmente coa celebración dos procesos selectivos en Galiza non era tema desta Mesa, xa que nada ten que dicir o Ministerio ao ser competencia exclusiva da Consellaría de Educación, a quen a CIG-Ensino xa se dirixiu para que a decisión que se adopte a este respecto sexa prudente e respectuosa cos tempos, evitando que se estenda a incerteza das persoas aspirantes, para o que a Xunta ten que ter claro xa nestes momentos cal é o prazo límite para tomar a decisión e facelo canto antes", aseverou o secretario nacional, Suso Bermello. |
NOS_54873 | Diversas vilas e cidades do País comemorarom o DdoOLeR 2012: VI Dia do Orgulho Lusista e Reintegrata / XII Dia Internacional da Toalha | O 25 de maio de 2012 tem lugar a VI ediçom do Dia do Orgulho Lusista e Reintegrata (DdoOLeR), tal e como reportam desde a web de AGAL. Nesta ocasiom, o evento pretendia ser mais viral do que nunca, e convocam para as pessoas se 'manifestarem' atolhadas nas redes sociais. AGAL lembra que as pessoas interessadas em participarem apenas devem 'vestir' umha toalha e enviar a foto para a página do evento criado no Facebook. Também nom falta quem sugira trocar as imagens de perfil de Facebook, Twitter ou outras redes sociais por fotografias atoalhadas. A toalha é o símbolo do DdoOLeR por um duplo motivo. O primeiro, que muitas pessoas tomárom contacto com a variante portuguesa da nossa língua «indo mercar toalhas a Valença do Minho e outras localidades do norte de Portugal», assinalam os promotores da iniciativa. O segundo, que foi um 25 de maio quando faleceu Douglas Adams, autor d'O Guia do Mochileiro das Galáxias, no qual se mencionava a toalha como elemento imprescindível de todo aventureiro... motivo polo qual os seguidores de Adams criárom o Dia Internacional da Toalha (XII ediçom já), que na Galiza se une ao Dia do Orgulho Lusista e Reintegrata. |
PRAZA_12027 | A dirección local da formación frontista asegura que "seguirá contando cun grupo municipal" conformado por edís "que manteñan militancia" no Bloque, se ben non detalla se lle retirarán o apoio ao actual alcalde | A treboada política no Concello de Teo sobe de ton. Este municipio próximo a Compostela estase a situar como o epicentro do contencioso aberto entre o BNG e o Encontro Irmandiño a respecto do futuro dos concelleiros que decidiron abandonar a formación frontista pero que apostan por continuar nos gobernos municipais aos que accederon en candidaturas do Bloque. Dous días despois de que o alcalde teense e vicevoceiro do EI, Martiño Noriega, confiase publicamente en manter a "unidade de acción" de todo o equipo de goberno, tamén cos dous concelleiros do mesmo que non optan pola escisión, a dirección local do BNG vén de respostarlle: ven na súa actitude unha "descualificación política" que, afirman, deriva en nunha "creba de confianza". Sinalan desde o Bloque teense que aínda non se "formalizaron" as baixas de Noriega nin dos demais edís que abandonan a fronte e tampouco se reuniron os órganos locais "para adoptar as decisións que correspondan", aínda que, din, a dirección local si desexa facer xa "manifestacións públicas" sobre o dito polo rexedor. "Se existe unha crise no goberno municipal non está provocada nin é responsabilidade do BNG", subliñan, xa que "non emitiu ningunha descualificación política de Martiño Noriega" nin do seu equipo nin lles "impediu manter a súa militancia no BNG". No mesmo sentido, o BNG de Teo analiza que Noriega "e outros concelleiros" adoptaron "a decisión persoal, voluntaria e unilateral de abandonar o BNG" e "fixérono formulando descualificacións de caracter político á nosa organización e ao proxecto político" aprobado "de xeito democrático na última Asemblea Nacional". Fronte a esta "decepción", relatan, "queremos agradecer a coherencia ética política" e a "valentía e entenreza dos concelleiros que manifestan a súa vontade de continuar no proxecto e que poñen a súa acta á disposición da organización". Nesta liña, e mentres desde o Encontro Irmandiño se reclama unha nova xuntanza con Guillerme Vázquez para tratar a cuestión dos cargos públicos, o Bloque de Teo conclúe que "a maioría da militancia do BNG fai posíbel que a nosa organización vaia seguir actuando na corporación municipal", contando "cun grupo municipal" conformado por edís "que manteñan militancia e corresponsabilidade coas decisións colectivas democráticas" e "con aqueles que se poidan incorporar no inmediato futuro de contar coa disposición dalgunha nova acta de concelleiro conseguida baixo as siglas do BNG". Sobre esta base, queda no aire coñecer a decisión que adoptará a dirección local da formación frontista en canto a apoios no pleno municipal se, como todo semella indicar, Noriega e cinco concelleiros máis deciden continuar a gobernar. |
NOS_32710 | O nacemento da Asociación Chrysallis na Galiza, integrada por familias con crianzas transexuais, súmase á loita de activistas transfeministas como a de Laura Bugalho. Con ela e Cristina Palacios, presidenta de Chrysallis, falamos de diversidade de xénero. | As historias de Sara e Laura, dúas mulleres trans, entrelázanse. As súas vivencias van collidas da man malia as diferenzas de idade e de contexto. A súa loita, abre o camiño para o recoñecemento da diversidade sexual, da construción de identidades que superan a concepción binaria de sexo-xénero. Unha batalla política, social e xudicial a prol do dereito a ser elas propias. A transexualidade continúa, a día de hoxe, a ser considerada unha "patoloxía", segundo a Organización Mundial da Saúde. No noso país, colectivos como Chrysallis ou TransGaliza, demandan mudanzas legais que garantan o acceso a unha sanidade universal e protocolos educativos que faciliten o tránsito, nomeadamente, das crianzas. Da man de Cristina Palacios --a nai de Sara-- e de Laura Bugalho abordamos a transexualidade, a diversidade sexual, o sexo sentido. Afondamos nas dificultades xurídicas para que legalmente se recoñeza unha realidade que continúa descoñecida e silenciada. Comparamos experiencias, valoramos os avanzos e o camiño que fica por andar contra transfobia. Podes ler a reportaxe completa no número 138 do semanario en papel. Xa á venda nos puntos de venda habitual e na nosa loxa. |
NOS_34496 | O ministro de Presidencia, Félix Bolaños, sostén que o referendo en Catalunya volvería crónico o conflito, nunha sesión de control ao Goberno estatal na que o PP atacou a Pedro Sánchez pola entrada de Brahim Ghali no Estado. | A entrada no Estado en abril de Brahim Ghali, presidente da República Árabe Saharauí Democrática e líder da Fronte Polisario, para recibir atención hospitalaria, focalizou boa parte da sesión de control ao Goberno español no Congreso da cuarta feira. De estar usando "o seu cargo para eludir unha investigación xudicial comete un delito de encubrimento, e se dita unha resolución sabendo que é inxusta, comete un delito de prevaricación", incidiu o presidente do Partido Popular (PP), Pablo Casado, que acusou o xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez, de permitir a entrada de Ghali, malia que desde 2004 conta con pasaporte español, co cal non se podería ter impedido o seu acceso. Ademais, Casado inquiriu se "ordenou falsear as contas públicas para cadrar un orzamento radical a marteladas". "Facemos política en beneficio da cidadanía", respondeu Sánchez, antes de reiterar que a xente "está farta" das "pelexas, insultos e berros" que propón o PP, reivindicando "unha política útil", en referencia ás medidas adoptadas no Consello de Ministras e Ministros da terza feira, como a suba do salario mínimo interprofesional ou as axudas á Palma (Canarias). Asemade, volveu exixir que o PP acepte "que está en minoría, que foron derrotados nas urnas e que abandonen a insubmisión constitucional", polo bloqueo da renovación do Poder Xudicial, que leva en funcións máis de mil días. Detención de Puigdemont Na súa quenda, tanto Junts como a Candidatura d'Unitat Popular (CUP) arremeteron contra o gabinete pola detención de Carles Puigdemont, ex presidente catalán. A deputada de Junts, Mariona Illamona, reclamou que deixen de equiparar o independentismo co terrorismo, como no caso dos membros dos Comitès de Defensa de la República xulgados por ter na casa "produtos de limpeza", apuntou. O 80% da poboación de Catalunya quere diálogo, aseverou a parlamentaria da CUP Mireia Vehí, e "o diálogo chámase referendo e amnistía", sentenciou. Porén, Félix Bolaños, ministro de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, defendeu na contestación que preguntar á poboación catalá sobre o tipo de relación que quere ter co Estado "convertería en crónico o conflito". |
NOS_36070 | Néstor Rego vincula o seu sentido do voto a que se inclúan bonificacións e baixadas nas peaxes da AP-9 e a que aumente o investimento territorializado para o país, entre outras demandas | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, asegurou hoxe que terá unha actitude "de absoluta firmeza" na defensa dos intereses da Galiza de cara á futura aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) de 2021. Así, o político nacionalista vincula o seu sentido do voto a que se inclúan bonificacións e baixadas nas peaxes da AP-9 , asó como a transferencia da súa titularidade, e a que aumente o investimento territorializado para o pais, entre outras demandas. A través dun comunicado, Rego incide en que, para que as contas do próximo ano conten co seu 'si', terán que responder "como mínimo" a catro criterios. En primeiro lugar, que o investimento destinado a Galiza "coñeza un incremento significativo" con respecto aos Orzamentos do 2018, aínda en vigor. Como segundo punto, reclama que se incorporen as partidas necesarias para "dar cumprimento estrito ao acordo de investidura" asinado en xaneiro entre o Bloque e o PSOE. En terceiro lugar, o deputado do BNG esixe que os do 2021 sexan uns Orzamentos "claramente sociais", que permitan que a nova crise social e económica que deixa a pandemia da COVID-19 "non a paguen unha vez máis os traballadores e as traballadoras". Por último, subliña que outro dos requisitos é que os fondos europeos de reconstrución que correspondan a Galiza se repartan "con criterios xustos", estean xestionados pola Administración galega e se destinen "prioritariamente a proxectos públicos de interese social". Neste contexto, o BNG adianta que esixirá que os novos OXE atendan "á modernización das infraestruturas" ferroviarias galegas, o cal "encaixa perfectamente" nos criterios para a utilización das partidas europeas e suporía cumprir co acordo de investidura. Ademais, pedirá a aprobación de "bonificacións e baixadas" das peaxes da AP-9 para acabar "co agravio comparativo" co país. "É hora de que se poñan en marcha", proclama Rego. |
NOS_22824 | O líder do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, defendeu volver tipificar no Código Penal o "delito de referendo ilegal" | O líder do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, defendeu volver tipificar no Código Penal o "delito de referendo ilegal" porque en todo aquilo que sexa ilegal "canta máis claridade e concreción exista, mellor". En calquera caso, non cre que o independentismo catalán volva á rebeldía se o seu partido gañar as próximas eleccións á Moncloa porque xa se coñece a "contundente" doutrina do Tribunal Supremo. Nunha entrevista concedida en Santiago de Compostela, Feixoo asegurou que se chega á Moncloa manterá unha postura "absolutamente aberta" coa Generalitat para falar co seu presidente de como poden "investir máis e mellor", que "política industrial é boa" e como poden "recuperar o protagonismo económico de Catalunya que perdeu nos últimos anos". O PP veta que Feixoo explique como triplicou o seu patrimonio Ao ser preguntado se o PP derrogaría a reforma do delito de sedición, despois de que na chamada mesa de diálogo entre Goberno español e Generalitat se acordase en xullo avanzar na "desxudicialización", Feixoo puxo o acento na "desxudicialización da política", algo que, ao seu xuízo, é "moi sinxelo" e consiste "en que os políticos non delincan". "Eu propoño isto tamén: os políticos non podemos delinquir e non podemos utilizar a nosa responsabilidade política, o noso poder político para poder delinquir e despois pactar modificacións dos Códigos que nós imos seguir dispostos a infrinxir. Isto é o que creo que toca", relatou. "Non me parece un disparate tipificar o referendo no Código Penal" "Ao min non me parece ningún disparate tipificar os referendos ilegais", respondeu acerca do referendo de autodeterminación en Catalunya. Aínda que dixo descoñecer que artigo exacto sería do Código penal, lembrou que, con "carácter xeral", en Euskadi "acabouse coa kale borroka cando se tipificou no Código penal con responsabilidade patrimonial "o incendiado dos autobuses, a rotura de escaparates das tendas ou o incendio do mobiliario urbano". Feixoo: "O que guía a posición do PP é salvar España" "Automaticamente baixou a kale borroka. Entendo que se hai actos delituosos que se provocan a partir de partidos políticos, as Cortes terán que decidir", manifestou o líder do PP. Con todo, resaltou que o "problema" que hai no Estado é que partidos independentistas como ERC "teñen a chave da gobernabilidade". "O problema é que a maioría da sociedade non é libre e non é libre porque depende doutra minoría da sociedade". |
NOS_54748 | Ante a falta de medidas organizativas e preventivas. | O persoal da Unidade de Coidados Intensivos de Adultos (UCI-A) do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela irá á folga indefinida, a partir do 16 de novembro, todas as segundas feiras de 8:00 horas a 8:00 horas da terza. Este anuncio realizouse ao remate dunha concentración convocada para denunciar as deficiencias da unidade e as súas condicións de traballo. A decisión foi adoptada polo persoal o pasado día 26 de outubro pola imposibilidade de chegar a acordos coa Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza no referido ás medidas de carácter organizativo e preventivas dos profesionais desta unidade e de referencia para enfermos Covid-19. Acusan a esta xerencia de "insensibilidade" por non ter acometido as reformas comprometidas en xuño deste mesmo ano, que debían estar rematadas xa en setembro, para solventar as deficiencias estruturais desta unidade. Mais tamén pola falta de medidas organizativas e preventivas, limitando ao mínimo posíbel o número de traballadoras e traballadores e o tempo de exposición, atendendo ao procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte a exposición ao SARS-COV3 do Ministerio de Sanidade e o Plan de prevención fronte o risco de exposición laboral no coronavirus do persoal da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza. "Esgotamento físico e psíquico" O persoal prevé un aumento de baixas por IT (incapacidade temporal) e polo esgotamento tanto físico como psíquico que padece. Neste sentido, alertan da falta de condicións de traballo dignas, para non estar a quendas de 7 ou 10 horas diarias sen descanso e mesmo obrigando a dobrar quendas e co mesmo EPI e uniforme. Responsabilizan ademais á Xerencia da imposibilidade de conciliar a vida laboral e familiar pola preocupación ao contaxio, dos efectos psicosociais, ante a falta de test e probas aos profesionais, incumprindo o requirimento da Inspección de Traballo da Coruña sobre a realización de Avaliacións de Risco Psicosocial ao persoal. O persoal da UCI denuncia a falta de información da implantación ou revisión de organización e métodos de traballo a representantes legais e a falta dun protocolo ou plan de prevención de riscos centrado no posto de traballo en función das particularidades e funcións de traballo específico da UCI-A establecido pola Unidade de Prevención de Riscos Laborais. |
PRAZA_17541 | Non imos admitir que unha representación da dirección actual de EN MAREA apadriñe unha candidatura contra unha das principais Mareas como é Ferrol en Común, e aínda menos que o faga repetindo a estratexia e o método xa implementado no seu día coa ruptura de AGE a través do que os escindidos chamaron CERNA. | O 30 de xuño xuntámonos ducias de mareas e representantes municipais de todo o País en Ferrol convocadas pola Marea ferrolá Ferrol en Común. Mulleres e homes cuxas caras sonnos xa moi familiares e estimadas, algunhas dos tempos da Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) de 2012, outras do Acordo de Mazarelos e do novo proxecto da esquerda galega que en decembro de 2015 dimos en chamar EN MAREA, nomeada así coa intención clara de poñer a referencia onde mellor se visualiza a Unidade Popular desde maio do 2015: as mareas municipais galegas. En Ferrol estabamos xente de esquerda moi plural e diversa, nacionalistas, independentistas e federalistas, xente con adscrición partidaria e xente que non se identifica con ningún partido político no nacional nin no estatal, e que sen embargo son activistas imprescindibles no seu concello. Persoas que comezaron candidaturas municipalistas sen ter ningún tipo de vinculación política; cunha única razón: cambiar a forma de facer política, dende a transparencia e a participación cidadá, e co ben común como único obxectivo. A pesar da pluralidade e diversidade política e ideolóxica, houbo unanimidade nas resolucións e conclusións políticas da xornada, que nós resumiríamos así: As mareas municipais deben ter a súa base na autonomía local, na participación veciñal democrática e un programa para o ben común. As mareas e outras candidaturas de esquerda deben cooperar entre si, buscando formulas de colaboración cando menos na súa circunscrición electoral para as Deputacións (partido xudicial). As mareas municipalistas son a base fundamental que orixinaron EN MAREA, e sen embargo, a dirección actual de EN MAREA (Coordinadora) está actuando sen respecto (e as veces con hostilidade) cara as mareas municipais, que como Ferrol en Común representan a Unidade Popular que traballa diariamente por un País xusto desde os Concellos. As mareas municipalistas de todo o País reunidas nesta xornada, e encabezadas por Compostela Aberta e Marea Atlántica, dimos todo o apoio e respaldo aos nosos irmáns e irmás de Ferrol en Común, e en especial ao Alcalde de Ferrol Jorge Suárez. Hoxe, igual ca onte, no espazo plural da Unidade Popular (de AGE a EN MAREA) débense priorizar as propostas políticas e programáticas para o ben común, para as nosas veciñas e veciños, e deixar atrás os conflitos internos e liortas que só restan forzas e dividen alternativas. Os ataques contra nós e as nosas propostas programáticas veñen de lonxe, teñen un obxectivo claro: que todo siga igual nos Concellos. Converxen intereses de donos de periódicos, empresas concesionarias, e políticos que levan décadas privatizando (externalizando) servizos públicos municipais. Tampouco son nada novo os ataques internos, que doen máis e fan máis dano. Aínda que por ser previsibles non deben ser admisibles. Non imos admitir que unha representación da dirección actual de EN MAREA apadriñe unha candidatura contra unha das principais Mareas como é Ferrol en Común, e aínda menos que o faga repetindo a estratexia e o método xa implementado no seu día coa ruptura de AGE a través do que os escindidos chamaron CERNA. Esta mesma escisión é o motor principal dun novo ataque contra a Unidade Popular, e son o espello no que mirarse daqueles e aquelas que atacan a unidade en Ferrol pero tamén no día a día de EN MAREA. Non hai escusa política para permitir este atropelo, os tacticismos e intereses de parte deben quedar fora, é unha obriga revalidar os gobernos do cambio e estamos obrigadas a amplialos e ser a verdadeira alternativa naqueles concellos onde aínda non chegou a revolución democrática do cambio. Empoderamento cidadán, democracia e participación directa, transparencia, horizontalidade, espazos propios de deliberación e toma de decisión colectivas, facer políticas públicas para a cidadanía, o ben común e a ruptura democrática. Todos son principios adoptados polas mareas municipais en 2015, e recollidos nos principios fundacionais da Asemblea de Vigo de 2016 como espazo común que EN MAREA foi e debe ser para a cidadanía e para as mareas. Para o 2019 non hai escusas, veñan de Madrid ou se inventen en Galicia, nin ataques que poidan con nós. Hoxe como onte, a Unidade Popular prevalecerá no espazo común que constituímos as mareas municipais, concelleiros e concelleiras, alcaldes, deputadas e deputados, militantes e non militantes de partidos políticos, inscritos e inscritas, e sobre todo o exercito cidadá de veciños e veciñas que son activistas do ben común. Publicidade |
PRAZA_18463 | O xuíz ratifica a demolición e pon como exemplo de que o construído non é un complexo turístico senón realmente vivendas individuais o feito de que os seus propietarios estean a recorrer por separado ante a xustiza | O xuíz ratifica a demolición e pon como exemplo de que o construído non é un complexo turístico senón realmente vivendas individuais o feito de que os seus propietarios estean a recorrer por separado ante a xustiza En 1992 a Xunta outorgou un permiso para que no lugar de Raeiros, no Grove, nun espazo natural non urbanizable de especial protección de costas, se levantase un aparthotel, unha das poucas construcións que de xeito excepcional e motivado polo interese turístico pode emprazarse nese tipo de chan. Porén, o que finalmente se construíu foron 52 chalés adosados vendidos como vivendas individuais. Agora unha nova sentenza volve esixir a súa demolición salientando a "fraude" da operación, que supuxo "sacrificar a protección especial dun chan de elevadas características paisaxísticas e ambientais" para unha urbanización privada que implicou "unha grave afección ao interese público e xeral". A resolución agora emitida polo xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra fai un repaso ás numerosas sentenzas e recursos previos dun longo litixio no que os tribunais veñen reiterando a ilegalidade do complexo ao tempo que sucesivos recursos dos propietarios veñen demorando a súa demolición ou transformación efectiva en aparthotel. "Os titulares das vivendas resistíronse a dita restauración efectiva [da legalidade], utilizando distintas técnicas para crear unha apariencia ficticia de disolución do parcelamento urbanístico sen chegara a implantar un uso hoteleiro real", di a sentenza. "Os titulares das vivendas resistíronse a dita restauración efectiva [da legalidade], utilizando distintas técnicas para crear unha apariencia ficticia de disolución do parcelamento urbanístico sen chegara a implantar un uso hoteleiro real" O complexo, sinala o xuíz, foi promovido pola sociedade Inproin Galicia, da que formaba parte Fernando Varela Fariña, irmán do que foi conselleiro de Cultura no primeiro goberno de Feijóo, Roberto Varela. A sociedade foi vendendo as vivendas unha a unha e cometeu así, di a sentenza, "unha infracción urbanística moi grave mediante a técnica da fraude de lei" de xeito que "baixo a apariencia dun uso dotacional privado [o aparthotel], cuxo interese social xustificou naquel entón excepcionar e sacrificar a protección especial dun solo de elevadas características paisaxísticas e ambientais, executouse realmente unha urbanización privada, para un uso efectivo residencial (non dotacional) e ademais cun parcelamento prohibido". O xuíz conclúe que "se alcanzou un resultado totalmente prohibido pola normativa aplicable, cunha grave afección ao interese público e xeral". Fragmento da sentenza contra a urbanización de Raeiros, no Grove O xuíz conclúe que "se alcanzou un resultado totalmente prohibido pola normativa aplicable, cunha grave afección ao interese público e xeral" Foi en 2007, durante o goberno bipartito de PSdeG e BNG, cando a Xunta constatou que o construído non fora un aparthotel senón vivendas individuais e ordenou cumprir a legalidade. Os propietarios podían ou ben derrubar o construído e devolver o terreo á súa situación orixinal ou convertelo efectivamente nun aparhotel, algo que a nova sentenza constata que aínda non se fixo malia ordes expresas novamente ditadas en 2010, 2013 e 2014. Malia que os propietarios consideraban que esas ordes se ditaran de xeito incorrecto, o xuíz rexéitao e, centrándose no fondo do asunto, lembra que non hai probas de que o complexo funcionase nunca ata o de agora como aparthotel. O xuíz pon como exemplo de que a fraude continúa o feito de que a última orde de demolición fose recorrida ante el "por cada propietario separadamente (defendendo realmente a súa 'vivenda'), e non nun único litixio pola comunidade de bens en proindiviso que supostamente sería a propietaria e explotadora única de todo o complexo". Así, o xuíz ratifica a última orde de demolición ditada pola Xunta en 2014 , pero contra a súa decisión pode ser novamente formulado recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, polo que máis de 25 anos despois o lugar de Raeiros seguirá a esperar por un aparthotel ou por recuperar o seu estado natural previo. |
NOS_5810 | A dirección de En Marea vén de anunciar a apertura de "diálogo" co Goberno de Pedro Sánchez sobre o proxecto de orzamentos do Estado. "Estamos elaborando un documento técnico político sobre a base da Axenda Galega do Cambio", afirmou Mariló Canedo, responsábel de relacións interinstitucionais da confluencia. | "Nestes intres temos un non enriba da mesa", explicou en comparecencia de prensa, "pola desproporción que hai para Galiza respecto a outras rexións e polo esquecemento de cuestións prioritarias para o país". Canedo afirmou que o texto a partir do que falarán con Sánchez "pecharase o vindeiro sábado no Consello das Mareas xunto coas deputadas de En Marea no Congreso". A dirixente resumiu: "Dependendo da receptividade do Goberno ás nosas propostas estabeleceremos a nosa posición. Estamos abertas, pero partimos dese non que anunciamos a semana pasada". Europa A comparecencia de prensa en que avisaron das negociacións tamén serviu á coalición de partidos para tratar das eleccións europeas. "En Marea está traballando nunha candidatura galega, nunha candidatura de país que defenda os intereses de todas as galegas, centradas nas necesidades de cara á Europa de toda a sociedade galega", expuxo a viceportavoz Ana Seijas, quen asegurou que iniciaran conversas "con diversas formacións políticas que comparten con En Marea os principios dunha Europa das persoas e que entenden o espazo política galego". Nos anteriores comicios europeos, a formación precedente de En Marea, Alternativa Galega de Esquerda, presentou Lidia Senra, quen, integrada nunha lista con Izquierda Unida ou Iniciativa per Catalunya, obtivo un escano. No medio da lexislatura abandonou a disciplina da coalición galega e estatal. |
NOS_9976 | O conxunto de Setién volveu tropezar fóra da casa e ve xa desde moi lonxe a opción de entrar na loita polo ascenso. O Dépor xoga hoxe en Gasteiz. En Primeira o Celta recibe ao Madrid con Luis Enrique como centro de atención. | Un gol de Juli, desde os once metros, no minuto 53 significou a derrota do Lugo en Alcorcón (1-0), onde amosouse un tanto desconectado, como se a campaña estivese finiquitada, algo que agora si é máis real para os xogadores de Quique Setién, que xa ven lonxe a posibilidade de entrar nas eliminatorias polo ascenso a Primeira. Nesa batalla segue o Dépor, que visita hoxe Gasteiz, onde o Alavés loita pola permanencia. e coa necesididade de sumar logo de dous partidos sen vitoria e tras ver como As Palmas lle mete presión desde atrás. En Primeira, o Celta recibe hoxe ao Real Madrid nun Balaídos cheo a rebentar. O equipo visitante espremerá as escasas opcións que ten para gañar a Liga ante os vigueses, que terán o seu gran foco de atención no banco, onde Luis Enrique seguramente disputará o seu último encontro como local cos celestes, posto que todo apunta a que se irá ao Barça, ao que pode beneficiar desde xa se obtén o triunfo este domingo. |
NOS_57744 | O letrado que representa as e os achegados do ditador, que di sentirse "moi decepcionado" co auto emitido esta cuarta feira, apóiase no cobro de quinientas mil pesetas por parte do Concello da Coruña para extinguir o lume de 1978 | Poucas horas despois de coñecer o contido da sentenza que lles obriga a devolver á cidadanía o Pazo de Meirás, os Franco anunciaron a través do seu avogado que recorrerán a decisión da maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña. O letrado Luis Felipe Utrera asegura que a resolución ten erros e non rebate a argumentación máis importante que aporta a familia do caudillo para manter a posición do inmoble, que xa hai uns anos que quere vender. Como o proceso xudicial vai seguir activo, Utrera entende que a familia non ten que abandonar a propiedade. Iso dependerá de que haxa unha resolución xudicial firme. Dado que o auto ten 400 páxinas, o representante recoñeceu que precisa facer un estudo polo miúdo pero, desde o prisma xurídico, dixo non poder "estar máis en desacordo" coa decisión da xuíza. "A falta dunha lectura en profundidade semella que evita rebatir os argumentos fundamentais da contestación da demanda. Ás veces un pensa que nin sequera se leeu a contestación á demanda", criticou. Utrera subliñou que a resolución parécelle "técnicamente deficiente". O pago de Carmen PoloIgualmente, lamentou que o Estado vexa como seu o inmoble "cando todos os españois ou a maior parte, ou os que non están contaminados políticamente, saben que non é así".Ademais, como xustificación e demostración de que Meirás debe permanecer nas mesmas mans, tirou de hemeroteca para contar que a propiedade quedou destruída en 1978 e "foi reconstruída por Carmen Franco". "Nese momento o Estado non recordou que era seu", afeou, asegurando ademais que o Concello da Coruña pasoulle unha factura de "quinientas mil pesetas a don Carmen Polo pola extinción do incendio". |
NOS_15107 | O 7, 8 e 9 de novembro de 1919, os delegados das diversas agrupacións das Irmandades da Fala presentes na II asemblea nacionalista, celebrada en Santiago de Compostela, acordaron declarar o 25 de xullo como Día da Patria Galega. A xornada, que se celebrou por primeira vez en 1920, irá cobrando folgos en sucesivas convocatorias até converterse nunha data de referencia da vida social e política da Galiza. Eis un estrato da peza publicada no número 371 do semanario en papel Sermos Galiza. | A II asemblea nacionalista, convocada co obxectivo de concretar a posición da organización respecto da súa participación nos vindeiros procesos electorais, decorreu por uns vieiros diferentes aos definidos previamente. Se nas semanas anteriores á celebración a afiliación da Irmandade da Fala d´A Coruña, a máis proclive a participación nos comicios locais e xerais, daba por feito unha resolución nese sentido dos asistentes, os delegados presentes, por razóns aínda hoxe non ben coñecidas, excluíron este asunto dos seus debates. O plenario, celebrado na primeira fin de semana de novembro de 1919 no inmóbel que actualmente ocupa o instituto compostelán Rosalía de Castro, estivo presidido por unha mesa da que facían parte Antón Vilar Ponte, Manuel Banet Fontenla, Tomás Rodríguez Sabio e Xesús Culebras. A cuestión relixiosa e a posición sobre a forma de goberno ocuparon boa parte das discusións, resumíndose as conclusións do debate nunha táboa de trinta e oito medidas, nun relatorio sobre a cuestión foral e nunha declaración onde reafirmaban a vixencia do manifesto acordado un ano antes en Lugo. A festa da patria galega, a nosa festa nacional Unha das resolucións aprobadas na II asemblea nacionalista estabelecía a declaración do 25 de xullo como Día da Patria Galega e instaba a súa celebración e popularización pola militancia irmandiña. Malia que o programa aprobado no encontro de Santiago de Compostela non se refería explicitamente a celebración do Día da Patria Galega, falando dunha "festa do emigrante, o día de Santiago", as posicións políticas formuladas polos principais dirixentes das Irmandades da Fala e a propia propaganda da organización non deixan lugar a dúbidas. A Nosa Terra, no seu número do 25 de xullo de 1920, afirma que "cumprindo un acordo da II asemblea nacionalista, e obedecendo ordes do Directorio do que é órgano oficial, hoxe festexa chea de ledicia o "Dia da Galiza". Nesa mesma data e publicación, Vicente Risco non dubida en sinalar que "o día do Apóstolo é a festa da patria galega, a nosa festa nacional", manifestándose nuns termos semellantes Francisco Vázquez Enriquez, un dos militantes referencia da comarca compostelá, ao declarar que "pola derradeira asemblea que en Compostela xuntou aos nacionalistas, foi acordado facer "Dia da Patria" o 25 do mes de Santiago". [Podes ler a reportaxe íntegra no número 371 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
PRAZA_5679 | Lidia Senra denuncia un "intento de apagar a campaña" por parte do "bipartidismo" para "manterse no poder" e defende que nas eleccións europeas "non é a hora de dividir, senón de sumar". A candidata de AGEe subliña a aposta por iniciativas como a renda básica universal e reitera que "Cañete non pode estar onde se elaboran políticas para erradicar a violencia machista". | Lidia Senra (A Pobra do Brollón, 1958), ten a axenda inzada de citas. Curtida nas mil batallas do sindicalismo agrario, no que é referente tanto a nivel galego como internacional, admite que unha campaña electoral "é diferente a todo o que levo feito" aínda que só "na posta en escena", porque "no fondo" trátase de "contactar coas persoas", algo que lle é calquera cousa menos "alleo". Elixida no referendo interno de Anova, Senra subliña que é "nacionalista" pero non "militante" de ningunha das organizacións de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, coalición que defende con vehemencia como vía para que "o pobo galego estea" na alianza da "esquerda rupturista" na UE. Que tal leva a campaña? O ritmo é bastante intenso, o que pasa é que andar por todo o país e contactar coa xente dáche moita enerxía para seguir adiante e para tentar poñer en marcha a nosa proposta, que ao cabo non deixa de ser levar as loitas da cidadanía ao espazo do Parlamento Europeo e convertelo na caixa de resoancia das propostas e loitas da cidadanía organizada deste país. Contactar coas persoas e coñecer as loitas é importante e, aínda que moi agotador, quedas con que aprendeches moito e paga a pena. Pero, nótase que hai campaña? Polo ambiente na rúa semella o contrario... "Hai un intento por apagar a campaña; canto menos nos preocupemos, máis doado é para o bipartidismo manterse no poder" Hai dúas cousas: por unha banda a nosa propia campaña e os actos, cunha participación importante; está habendo unha campaña francamente bonita e agradable, de calor. A nivel xeral percíbese que houbo un intento moi grande por apagar a campaña, tanto por parte dos grandes medios, que non teñen unha cobertura de campaña, como co acordo da Xunta Electoral estatal que impide que unha institución como o Parlamento Europeo utilice a palabra "vota" na campaña institucional. Está claro que houbo un intento de que a cidadanía non se preocupe por Europa, porque canto menos nos preocupemos máis doado é que o bipartidismo, o PP e o PSOE e os seus socios europeos, se manteñan no poder e fagan as políticas neoliberais que tanta dor lle causan á xente. Dende ámbitos do nacionalismo alleos a Anova repróchanlles as alianzas con forzas estatais, nomeadamente con Esquerda Unida. Por que consideran compatible esa unión co nacionalismo? Dende a situación na que estamos vivindo, de auténtica emerxencia nacional. O noso país está vivindo un empobrecemento xeralizado, estamos perdendo os sectores produtivos, a industria, estamos co sector naval agoniante, estamos cuns niveis de pobreza e exclusión social e pobreza alarmantes, cun nivel de paro insoportable; estamos expulsando o futuro do país, que é a nosa mocidade, ou condenándoa a vivir como traballadores pobres. Estamos nunha situación na que se están privatizando os servizos públicos, onde o dereito á sanidade xa non é universal, onde se está deteriorando o ensino a pasos axigantados, onde os servizos sociais públicos están tocados... Nesa situación cómpre sumar e é compatible ser nacionalista con sumar forzas con Esquerda Unida para loitar contra as políticas que están acordando maioritariamente os dous grandes partidos, que votaron o mesmo o 70% das ocasións no último período do Parlamento Europeo. Cómpre que a esquerda que queremos romper con iso, que queremos constituír unha nova UE, nos unamos, que nos fagamos fortes e sumemos. Non é a hora de dividir, senón a de sumar, e para nós e tan compatible a nivel galego como a nivel europeo. Que acollida tivo o ideario de Anova en Esquerda Unida a nivel federal? "Na coalición estatal só temos dous compromisos: votar a Tsipras e integrarnos no grupo da esquerda rupturista" Nós imos ir construír alternativas. AGEe só ten dous compromisos por asinar a coalición estatal: votar a Alexis Tsipras como candidato que presenta toda a esquerda rupturista europea para presidente da Comisión e integrarnos nese grupo da esquerda rupturista europea, que temos claro que queremos participar nela, construíla e que o pobo galego participe nesa alianza no marco das institucións europeas. Polo tanto aí non hai ningún problema. Con respecto ao Estado non temos ningún compromiso máis. As decisións que imos levar a esa alianza van ser as decisións que tomemos aquí como AGEe, aí non temos ningún problema. Imos levar as decisións libre e soberanamente, os nosos acordos teñen soberanía. No seu programa reclaman a oficialidade do galego normativo nas institucións da UE. Por que o consideran fundamental? Porque nós pensamos que todos os pobos temos dereito a vivir no noso idioma, no noso caso o galego. Pensamos que non pode ser discriminadas as persoas que vivimos na Galiza; o pobo galego non pode ser discriminado e ter polo tanto unha condición de inferioridade a respecto das linguas doutros pobos da UE, que si son recoñecidas como linguas oficiais. Queremos que se elabore a carta dos dereitos lingüísticos para garantir a igualdade de todos os pobos da UE e recoñecer o idioma galego como oficial para ter plenos dereitos. Mentres iso non acontece ou se non chega a acontecer, aproveitarán a vía da lusofonía para expresárense? Efectivamente, tentaremos expresarnos en galego e facernos entender da mellor forma. No mesmo programa apostan pola renda básica universal. Hai quen di que iso é pagar por non traballar e que é economicamente inviable... "A renda básica é posible con vontade política e se non se quere condenar seres humanos á miseria" O que é intolerable é chegar a unha situación de pobreza e exclusión de tal magnitude cando hai moitos cartos, por exemplo nos paraísos fiscais, e ademais os cartos públicos se lles están dando ás grandes sempresas e por outra banda, segundo datos da propia Comisión Europea, a corrupción custa 120.000 millóns en Europa ao ano. Cartos hai, polo que non é de recibo someter á poboación, no noso caso 636.000 familias, á pobreza e á exclusión social. É necesario e urxente establecer esa renda básica que lle garanta a dignidade a todo ser humano. É fundamental e é posible se se ten vontade política e non se quere condenar seres humanos á miseria. As enquisas din que a poboación ve as institucións europeas moi afastadas. É posible mellorar a vida da xente co sistema da actual UE? Nós estamos dicindo que esta Unión Europea non serve, hai que rompela e crear unha nova, que responda aos intereses da cidadanía e os poña por diante dos do capital. Falamos da falta de democracia destas institucións, que tamén hai que cambialas e substituílas totalmente por outras que sexan democráticas. Neste sentido, mentres estamos nun debate electoral falando de como queremos que sexa a UE, a Comisón Europea, que non ten lexitimidade democrática porque os dous grandes partidos se encargaron de que o Parlamento non teña a competencia de elixila, está negociando un tratado de libre comercio entre a UE e os Estados Unidos que vai afondar na precariedade laboral, na destrución da agricultura e da pesca e na privatización dos servizos públicos, que pretenden que sexa irreversible. É intolerable que a Comisión estea negociando unha cláusula para salvagardar as corporacións transnacionais, para que no caso de que un goberno lexitimamente elixido lles impida asentarse no seu territorio ou as levante porque causan danos, os orzamentos públicos teñan que indemizar esa gran empresa polo que supostamente edeixa de gañar. Iso é intolerable e é entregar as soberanía dos pobos ás grandes corporacións. Entre as críticas a ese tratado vostedes poñen o acento nos alimentos transxénicos. Rexéitanos en todo caso ou só cando os controlen as grandes corporacións? "Estamos totalmente en contra dos tranxénicos, non achegan nada e son un negocio a costa da sáude" Nós estamos totalmente en conta dos transxénicos. Os transxénicos non achegan nada, son un gran negocio á costa da saúde das persoas, do medio ambiente e de seguir destruíndo os labregos e labregas en todo o mundo. O único que fan é meternos máis problemas dos que xa temos. Estamos totalemnte en contra deles e o tratado de libre comercio vai tentar abrilles as cancelas definitivamente para que na UE as empresas transnacionais dos EUA campen ás súas anchas, destruíndo a agricultura labrega e poñendo nas nosas mesas non só produtos alimenticios producidos con transxénicos, senón tamén con hormonas que en Europa están prohibidas. Vulneran ademais o principio de precaución, que na UE existe mentres que nos Estados Unidos todo é bo ata que a cidadanía demostre que é perigoso. Aquí as empresas aínda teñen que demostrar que algo non é nocivo antes de poñelo no mercado. As persoas somos as cobaias e cando empecemos a morrer, demostrarase que algo non vai ben. Sen saírmos do agro: Levou unha alegría ao saber que o señor Cañete era o candidato do PP? Dende o comezo entendemos que o PP escolleu o candidato que mellor representa os seus intereses, un señor que leva defendendo como ningúen os intereses dos grandes negocios no ámbito agrario e tamén no ámbito da política en xeral. É unha persoa que non merece estar nas institucións públicas por atreverse a cualificarnos ás mulleres como seres menos intelixentes, esa mensaxe que tanto dano nos ten feito de que as mulleres somos inferiores. Non levamos loitado tanto para que veña un señor que pretende ser comisario a dicir semellantes barbaridades e a estar en sitios onde se teñen que elaborar políticas para garantir a igualdade das mulleres ou para erradicar a violencia machista, da que son vítimas un un terzo das mulleresda UE. Señores coma este pouco van facer para erradicar esta situación, máis ben van favorecer o contrario. "Cañete non pode estar onde se teñen que elaborar políticas para erradicar a violencia machista" O machismo de Cañete afectaralle ao PP nas urnas? Non o sei, verémolo o día 25. E os casos de presunta corrupción? Parécenos totalmente intolerable e nós pensamos que medidas para loitar contra corrupción son imprescindibles no ámbito do Parlamento Europeo, e aí é fundamental a transparencia á hora da contratación pública e tamén anular os procesos de privatización, que son o caldo de cultivo para esas prácticas. Cómpre tamén a partcipación da cidadanía para dedicir como se empregan os cartos públicos. Atendendo á maior parte das enquisas vostede será eurodeputada. Poderá seguir sendo tamén labrega? Eu son moito de non vender o peixe antes de pescalo. Ata o día 25 preocúpame poñer todas as enerxías neste labor de presentarnos, de presentar as nosas propostas e de animar ao apoio á nosa candidatura. O meu compañeiro e mais eu somos labregos e imos seguir mantendo a nosa actividade agraria. Dedicareille un tempo diferente, pero quen vivimos nunha casa labrega sabemos que os momentos nos que se está alí son para participar da actividade da leira. En todo caso, poderemos falalo na próxima entrevista [ri]. |
NOS_42528 | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, denunciou hoxe o "abandono" do rural e o desmantelamento de servizos públicos como a sanidade e a educación. | O dirixente socialista participou na maña deste sábado en Santiago de Compostela nun acto conmemorativo do Día da Muller Rural, onde reivindicou o modelo de empredemento protagonizado polas mulleres no rural e chamou a apoiar ás súas iniciativas. O líder do PSdeG salientou que a muller "busca o seu papel e avanza" no medio rural, onde encabezan 4 de cada 5 proxectos emprendedores, o que valorou como un dato "esperanzador". Nesta liña, demandou unha inxección orzamentaria por parte da administración galega para "darlle relevancia ao papel da muller" no rural, onde "a igualdade efectiva aínda non existe". Servizos públicos Formoso reclamou a que a Xunta asuma o rural como "foco de atención" para "reforzar a revolución no eido da ordenación territorial", garantindo a base territorial para as explotacións agrogandeiras, así como un "mínimo" de rendibilidade pública. Na mesma dirección, reivindicou o "reforzo dos servizos públicos, garantindo o acceso á Atención Primaria e ao ensino público. O secretario dos socialistas defendeu unha aposta decidida polo mundo rural para garantir o futuro dun sector que "debe de ser a despensa do Estado", dando amparo a "algo que sentimos como tradición no pobo galego". O responsábel do PSdeG contrapuxo a aposta socialista polo medio rural co "abandono" desde a Xunta da Galiza, que ten fechados 138 colexios, e onde "atopamos a toda unha directora xeral do Sergas dicindo que non aspiremos a ter un pediatra en cada centro de saúde". Retallos en Atención Primaria O dirixente socialista denunciou o feche de unidades de Atención Primaria, que "queda reducido a un servizo de atención telefónica", ao tempo indicou que o transporte rural "está desaparecido e concentrado no eido urbano e metropolitano". O secretario do PSdeG advertiu que o Goberno galego está a provocar que "o relevo xeracional nas explotacións agrarias sexa a día de hoxe inexistente" convertendo a situación un "drama" ao estar menos de 4% das explotacións en mans de persoas de menores de 35 anos. Formoso instou á Xunta a que "incorpore unha cláusula demográfica nas licitacións" da administración, dando prioridade ás empresas que se implanten no ámbito rural e bonificando a aquelas que xeren actividade e postos de emprego. |
NOS_56651 | 11 de setembro ás 12:00 horas diante da sede da delegación do goberno español en Galiza (Praza Ourense 11, A Coruña). O Ministerio convocou un premio para traballos universitarios do Estado só en castelán. | "Liberdade para o galego" é o lema baixo o que A Mesa pola Normalización Lingüística se concentrará o vindeiro 11 de setembro para denunciar e protestar pola exclusión do galego dun premio para traballos universitarios de todo o Estado. A Mesa considera que con esta decisión de excluír a lingua propia da Galiza dos Premios Arquímides o Ministerio "nega o mínimo recoñecemento do galego". Un premio para os traballos de fin de grao. "De tal xeito que un Traballo de Final de Grao en lingua galega que merecese a puntuación de. sobresaínte ficaría automaticamente excluído dun premio dotado con até 7000 euros, sen chegar a ser valorada a súa calidade", denuncia Marcos Maceira, presidente da Mesa. "Esta situación", recorda Maceira, "engádese a casos anteriores de denegación de bolsas de estudos por achegar certificados de estudos en galego". A Mesa exíxelle ao goberno español que "depoña a actitude de desprezo ás linguas oficiais diferentes do castelán" . O galardón diríxese a "estudantes universitarios matriculados durante o curso 2018-2019 en universidades españolas que impartan titulacións oficiais" matriculados "en estudos de grao e mestrado". As investigacións susceptíbeis de seren premiadas poden proceder das áreas das ciencias biolóxicas e biomédicas, das ciencias experimentais, exactas e ambientais, das ciencias sociais e humanidades ou de enxeñaría e arqitectura. O que non poden é estar nin en galego, nin en catalán, nin en euskera. E iso que o ministerio reparte 25 premios con dotación económica, catro estancias en centros de investigación e cinco premios a titores. O prazo de presentación rematou o pasado 19 de agosto. Nesta ligazón atópanse as bases completas: http://www.educacionyfp.gob.es/servicios-al-ciudadano/catalogo/estudiantes/premios/universitarios/certamen-universitario-arquimedes.html#dg1 |
NOS_5339 | A súa posición coincide basicamente coa do sector crítico de Anova, o nucleado arredor do parlamentar Davide Rodríguez. | O sector crítico de Anova -o mesmo que no espazo de En Marea impulsou, contra o criterio oficial, a lista Somos Quen- opina que a formación de Beiras "non ten o peso que lle correspondería ter no ámbito da Unidade Popular" e que Anova "debería ser o referente da esquerda nacional galega e non o é". Nestes termos pronunciouse en declaracións a Sermos Davide Rodríguez -xunto con Alexandra Fernández, parlamentar no Congreso- o maior referente das posicións críticas no interior de Anova. O grupo de Somos Quen optou finalmente por non apresentar lista propia no conclave do pasado sábado sen tampouco se integrar na oficial por non a considerar de consenso. Argumentan os críticos que a candidatura liderada por Antón Sánchez se fixo por arriba e non recolle suficientemente o sentir das bases. Con todo, Rodríguez salva a figura do que está chamado a ser novo portavoz nacional da organización. "Antón pode facer un bon traballo na dirección para colocar Anova onde ten de estar, como referente da esquerda nacional e con canles permanentes de participación efectiva das bases no proceso de toma de decisións". O feito de finalmente non comparecer o sector crítico cunha lista propia sen dúbida restou asistencia á asemblea do sábado -sendo que non existía ningunha dúbida sobre o resultado final, ao haber só unha candidatura. A participación foi tan baixa que apenas 160 persoas tomaron parte nas votacións. Vagón de cola Esta segunda feira, nunha entrevista na Radio Galega, Mariano Abalo, o histórico dirixente da FPG, sumouse ao coro das críticas e, nun ton semellante ao expresado polas voces de Somos Quen, afirmou literalmente: "O nacionalismo de esquerdas ten que ocupar o lugar que lle pertence e non un lugar que nos deixe no vagón de cola da locomotora que debe ser En Marea". Abalo tamén defendeu que para completar a "unidade popular" cómpre "seguir tendendo pontes ao BNG". As declaracións de Abalo fixeron saltar dos seus resortes internéticos a destacados membros de Anova e á propia FPG, que aproveitou o momento para facer público que o político de Cangas xa non fai parte dos orgaos de dirección da formación. Non sabía eu que as amigas e compañeiros do Galicia por Diante incorporaran unha sección humorística. Para empezar a semana, vén estupendo! https://t.co/HFGhs1KZBY— Antón Dobao (@AntonDobao) 20 marzo 2017 Dame mágoa este final para Mariano Abalo, dexeneración política e persoal. Unha decepción. https://t.co/16ZQ66cGAx— Brais Fidalgo (@BraisRibeiro) 20 marzo 2017 Mariano Abalo falando de "tender pontes" e de "nacionalismo" con quen sempre, décadas, puxo a parir a cañón. Traian pipocas 🍿!! https://t.co/hQ1gFn6fhE— Millán Fernández (@millanfernandez) 20 marzo 2017 |
NOS_26784 | Lembran ás administracións que "teén que deixar de dicir moi boas palabras e pasar aos feitos". | O presidente do comité de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, volveu a exixir a intervención "inmediata" da fábrica da multinacional norteamericana na Mariña para "non permitir que isto chegue aos tribunais" e que sexa unha "vergoña para o país". Así se expresou en declaracións este sábado, durante a visita de Rafael Mayoral, deputado no Congreso de Unidas Podemos, que mostrou o seu apoio ao persoal da factoría. Zan lembra que a Xunta e o Goberno español comprometéronse co cadro de persoal e agora "teñen que deixar de dicir moi boas palabras e pasar aos feitos". Afirma que "é moi fácil falar, mais agora fan falta os documentos escritos e asinados, unha vez teñamos iso deixaremos a mobilización", engade. A impugnación que pide a Xunta Preguntado sobre a próxima impugnación do comité polo despedimento colectivo de 524 empregadas e empregados, e a petición de medidas cautelares para que non se paren as cubas, Zan emprazou a que se faga unha intervención "aínda que sexa temporalmente, por unha hora para pasar a outra empresa". Este domingo o persoal de Alcoa en San Cibrao realizará unha marcha co alumnado de institutos da Mariña, mentres continuarán coas súas mobilizacións. Resalta que o "exercicio de responsabilidade que está a facer o cadro é incríbel". "E agora esperamos que os gobernos da Xunta e do Goberno teñan esa mesma responsabilidade que teñen os traballadores e acometan o que teñen que facer, que é unha intervención inmediata e non permitir que isto chegue aos tribunais", sostén. Zan engade que Liberty House está interesada en investir 1.000 millóns na fábrica, polo que non se pode permitir desperdicialos polos "caprichos" dunha multinacional. Censura que "o que non pode ser é que quen estea a defender a industria deste país sexan os obreiros, e os gobernos que teñen que defendela estean a mirar para o teito ou vendo como unha multinacional lles pasa por riba". Por iso, pregunta ás administracións se se quere facer aluminio primario no Estado español ou "traer de Arabia Saudita", xa que observa cuestións "estrañas" pola vinculación entre Alcoa e Arabia Saudita. |
NOS_37247 | A Coruña, Foz, Redondela e Malpica son algúns dos 15 concellos onde están as promocións que vende a Sareb e que suman máis de 50.000 metros cadrados. | A Sareb, a Sociedade de xestión de activos procedentes da restruturación bancaria e que se coñece tamén como 'banco malo', pon á venda na Galiza 32 promocións urbanísticas que están paradas e en diferente nivel de execución. De finalizarse tal e como se propuxeron nun principio, suporían a construción de perto de 900 vivendas e máis de 1.200 prazas de aparcamento. A oferta enmárcase na campaña 'Obra Parada' e coa que a Sareb prevía desfacerse, nun principio, de 140 promocións de vivenda residencial. Esas 32 promocións urbanísticas paradas (e de usos de residencia plurifamiliar, ás que habería que engadir as unifamiliares) suman máis de 50.000 metros cadrados e sitúanse en 15 concellos de diferentes partes do país. Os prezos varían, habéndoos desde máis de 2.500.000 euros (sen impostos incluídos, como o da promoción da Avenida da Atlántica de Vigo) até as 850.000 do prezo da de Narón. A Coruña e Foz son as localidades onde máis promocións paradas se poñen á venda, tres en cada unha. As coruñesas suman 225 vivendas e 298 prazas de aparcamento e os da vila mariñá, 218 e 472 respectivamente. En Vigo, Laracha, Miño e Burela o Banco Malo vende dúas promocións en cada unha. Completan a lista Bergondo, Fisterra, Malpica, Betanzos, Carballo, Narón, Ribeira, Chantada, Rábade e Redondela. |
NOS_43408 | Recoñecemento e memoria fiarán a xornada coa que Mulleres do Mar de Arousa quere dar protagonismo ás experiencias daquelas que as precederon nunha profesión que na ría congrega moitas, pero visibiliza moitas menos. | A asociación Mulleres do Mar de Arousa, nacida hai catro anos para dar voz ás profesionais do marisqueo, as bateas, a pesca ou a comercialización de peixe nesta comarca, organiza o sábado, na Sala das Cunchas do Grove, a xornada "Na Galiza mar é feminino", que reunirá as experiencias dunha bateeira, unha mariscadora e unha traballadora dunha conserveira desta localidade, todas xubiladas. Será, en palabras da secretaria da entidade, Sandra Amézaga, un encontro no que "visibilizar o que fixeron as que estaban antes que nós e o que isto supuxo para a economía local e para as familias". A elas sumarase a voz dunha bateeira en activo, filla dunha das anteriores, para "contrapoñer" as condicións laborais de entón coas de agora. Nunha ría na que unha de cada dez mulleres en idade produtiva exerce en actividades vinculadas ao sector –5.572, segundo un estudo recente do Grupo de Acción Local del Sector Pesqueiro (Galp)–, a portavoz desta asociación ve necesario "que non se esqueza o traballo destas mulleres, porque marcou todo o que veu despois". "Son historias impresionantes de persoas que, ás veces, nin teñen conciencia do que supón para nós, as súas herdeiras, aquel esforzo", salienta Amézaga, que exercerá como moderadora do encontro deste sábado. Parte desa herdanza deu impulso, en 2016, á creación desta entidade, a primeira de carácter exclusivamente feminino neste ámbito laboral. "Decatámonos de que, malia proceder dunha ampla gama de profesións, tiñamos problemas comúns: dificultade para ter visibilidade nun sector no que somos moitísimas mulleres e máis dificultade aínda para chegar a postos de responsabilidade", enumera a secretaria da asociación, que apunta tamén a cuestións estruturais, agravadas neste campo laboral. As mulleres teñen máis difícil dar un paso adiante "Somos un colectivo que, xunto co noso traballo profesional, moi habitualmente ocupámonos da casa, de coidar os fillos, mesmo os sogros... Esta é a nosa realidade", indica, aludindo ademais unha contorna "de núcleos pequenos onde todo o mundo se coñece e onde resulta máis complicado para unha muller dar un paso adiante". "Non se trata de enfrontármonos aos homes, non queremos iso, senón de influír nun cambio de mentalidade que cremos que é necesario e que non só teñen que facer eles, senón tamén as mulleres, porque o machismo tamén está en nós, a través de moitos prexuízos", quere salientar a portavoz, que destaca que á xornada desta fin de semana están convidados os patróns maiores da comarca. "Necesitamos colaborar", conclúe Amézaga en relación ao sector masculino da profesión, mais tamén como máxima para as mulleres da asociación. "Ao xuntármonos, poténcianse a sensación de unión, as ganas de compartir experiencias e de traballar en común", subliña. As desigualdades e a violencia de xénero, desafíos da asociación para este ano onscientes das desigualdades que se viven en todos os ámbitos da vida, as Mulleres do Mar de Arousa márcanse como reto para este 2020 achegarse ás violencias de xénero no sector. "É un tema do que non se fala, pero estatisticamente sabemos que ten que haber casos", expón Sandra Amézaga, quen salienta que a asociación quere ir amodo, comezando por cuestións como a desigualdade que supón a dupla ou tripla xornada –a profesional e a do traballo doméstico e familiar– ou as económicas, polas que os varóns son propietarios dos bens comúns, para ir "cambiando a mentalidade" a través de espazos de reflexión. Un deles é a sesión mensual de merendas que a entidade puxo a andar a finais do ano pasado e que retomará este, "un espazo de socialización, de posta en común e de confianza", resume a portavoz. |
PRAZA_8159 | O presidente da Xunta vólvese negar a dar contas no Parlamento sobre as supostas condutas irregulares no seu partido e censura que o BNG o cuestione ao respecto mentres "pacta" coa esquerda abertzale. Vídeo no interior | Resistencia. Tras catro solicitudes de comparecencia e outros tantos vetos por parte do PP o presidente da Xunta viuse este mércores novamente forzado a responder a unha pregunta sobre os casos de presunta corrupción que lle afectan ao seu partido. Desta volta foi o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, quen lle pediu saber "que vai facer vostede para perseguir a corrupción", alén das "palabras". Como hai dúas semanas, Alberto Núñez Feijóo apostou por recoller as preguntas e lanzalas de volta cara á bancada opositora sen que mediase resposta previa. Desta volta fíxoo cun convidado adicional: Bildu, a coalición que actualmente agrupa en Euskadi a boa parte da esquerda abertzale. O voceiro nacionalista "confesou", retranqueiramente, que tivo a "tentación" de emular o xornalista deportivo que lle formulou "a pregunta total" ao ex adestrador do Deportivo da Coruña. "Feijóo, que?", ironizou Jorquera, quen lamenta que as actuacións do presidente nestes casos se limiten aos "titulares", "frases moi bonitas para protexer a súa imaxe, obsesionado como está para promocionarse como posíbel sucesor de Rajoy". Pero a Audiencia Nacional, "baseándose nun informe policial, vén de vencellar a contabilidade de Bárcenas coa trama Gürtel", co PPdeG como "peza central". Feijóo, di, debe explicar "o presunto financiamento ilegal dos actos e das campañas" da súa formación entre 1997 e 1999 e facelo á marxe da "retórica". O xefe do Executivo recolleu dalgún xeito a mención a Arsenio, pero para atribuírlle a mítica frase do xogador peruano Wiliam Huapaya. En plena "recesión" el está "moi esixido" como tamén o estaba o ex adestrador do Deportivo, di, "o cal non significa que o equipo que dirixía non gañase a Liga, a Copa, e fose un dos mellores equipos de Europa", sentenzou. Pero, anécdotas futbolísticas máis ou menos reais á marxe, para o presidente as únicas "novidades" sobre corrupción das últimas semanas son a "imputación da tenente de alcalde do Concello de Ourense e da concelleira de Urbanismo de Ourense (PSdeG)", un goberno local ao que o Bloque "lle dá todo o seu apoio", acusa. Jorquera pide contas polo "presunto financiamento ilegal dos actos e das campañas" do PPdeG Nas bancadas do BNG comezaron a agromar carteis coa lenda "Feijóo, STOP corrupción". "Se queren, poñan eses carteis mirando para o seu grupo, que teñen dabondo", esixiu o presidente despois de apelar aos "graves problemas coa xustiza" que ten "o conselleiro que máis orzamento manexou no bipartito do BNG". "Vaia directamente ao xulgado se coñece algunha irregularidade", retárao previamente Jorquera, en cuxa opinión o líder conservador non só debe explicarse sobre Bárcenas, tameń sobre "José Luis Baltar, imputado por presunta prevaricación continuada, o delegado da Xunta en Ourense, condenado por defraudar fondos públicos, os alcaldes de Santaigo, do Carballiño, Baltar, Fisterra, Mazaricos, Muras, Barreiros, Abegondo e Vilasantar, imputados por presuntos delitos de corrupción" ou sobre o rexedor de Barbadás, "investigado" por "un pequeno desequilibrio" de 200.000 euros non declarados a facenda. Pero Feijóo "parole, parole, parole, nin unha mala palabra, nin unha boa acción", reprochou. "Avergóñame que un partido nacionalista galego pacte con Bildu", retrucou Feijóo ante as peticións de explicacións sobre presuntas condutas corruptas Jorquera tampouco o conseguiu este mércores. Feijóo empregou a súa última quenda para reprocharlle que o Bloque "goberne na Deputación de Lugo con persoas imputadas", recuperando ademais un dos clásicos do seu argumentario: os nacionalistas, din, deben "deixar gobernar aos que ganan". Foi neste punto onde o titular da Xunta recorreu a Euskadi. "Dado que me propón algunha cuestión ética, non pacten vostedes con Bildu", porque "como galego e como presidente da Xunta avergóñame que un partido nacionalista galego pacte con Bildu". Nos últimos segundos, o popular engadiu que impulsará que a publicación do patrimonio dos deputados e deputadas, que agora se realiza sen que sexa obrigatoria, pase a ser unha norma de obrigado cumprimento. |
Subsets and Splits
No saved queries yet
Save your SQL queries to embed, download, and access them later. Queries will appear here once saved.