ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_17882
A primeira película do país financiada por crowdfunding colleita premios en varios festivais internacionais e ten unha boa acollida en Galiza, mais conta con problemas de distribución. O compostelán Fernando Cortizo, director da longametraxe fala de marxinación.
Na guía de profesionais da Axencia Audiovisual Galega aseguran que despois da súa primeira curtametraxe en 8 mm "O monstro da praia" quedou esgotado e precisou descansar cinco anos. Tan duros foron os inicios? (Risos)... Non, daquela estudaba veterinaria e dediquei máis tempo á carreira. Seguín como hobby mais sen dedicarme ao cen por cen. Mais a túa intención é que o cine sexa a túa profesión... Claro. Se agora a situación esta difícil, daquela nos anos 90 non existía nada. Vivir do cine era algo raro. Estudei veterinaria para sobrevivir e o cine era o que me gustaba. Fixen curtametraxes varios anos pagando eu do meu salario todo. Como nace "O Apóstolo"? A miña obra sempre ten unha conexión galega. Faltaba unha longametraxe que falara das nosas lendas e esa Galiza máxica que está aí mais eu non a vira nunca. Pensei que máis que películas sobre monstros galácticos tiña que aproveitar as nosas lendas para dar a miña visión desa Galiza máxica. Pensei nun contraste entre a Galiza rural, das néboas, de Lugo, e a Galiza moderna dos turistas que veñen de moitos países... Dábame moito xogo para a trama e facer un conto gótico. Que tal foi o traballo cun equipo técnico tan variado e procedente de todo o mundo? Cando comezamos foi xa cos mellores vimbios. Se dedicábamos catro anos a esta longametraxe queriamos que fose recoñecido en todas partes. Procuramos que en cada departamento houbera especialistas que aportaran ese I+D e formar a xente galega que quedase preparada para outras películas. "Os resultados de recadación que temos agora enganan posto que non se pode comparar horarios bos e malos, mesmo ter unha sesión ou varias no mesmo cinema" É máis doado traballar con personaxes de animación que de pel e ósos? O traballo de animación dura moito tempo e tivemos unha convivencia de moitas horas. Eran unhas 11 horas diarias durante moitos meses. Ao final formamos unha familia, é unha relación diferente. Nas outras hai xerarquías, ródase todo en cinco semanas, hai un xefe de departamento e os outros obedecen. Na animación comemos xuntos, ceamos xuntos, falamos moito e todo é máis doado. É unha experiencia moi bonita. Pensou sempre en determinados actores e actrices para participaren en O Apóstolo? Si. Quería actores e actrices bos e recoñecíbeis para que aportaran "alma". Non quería bonecos que se moveses dobrados polo cantante de non sei que grupo... quería actores e actrices que actuaran, que lle deran respiración e sentimento. Sempre pensamos nesta xente. A película conta con actores galegos para os personaxes galegos e para os "turistas" xente de fóra. Foi un privilexio contar coa participación de Philip Glass? Foi unha sorpresa. Mandeille guión, debuxos, mais non sabía se respondería... Mes e medio despois contestou coa mensaxe de que pensaba que era algo novidoso e que lle prestaba. Logo todo foron facilidades. Propuña ideas e aceptaba críticas. Foi moi fácil traballar con el. Agora Bos Aires, Moscú, Marsella, 'O Apóstolo' ten espírito viaxeiro... Gústame. Dicían que era unha película localista e era como algo negativo. Viaxando decátaste que funciona moi ben vender cousas nosas. Non facer outra versión máis de "A noiva cadaver"... Foi bonito ver como reacciona a xente en Bos Aires ou Marsella onde gañamos. A xente de fóra sintoniza cos nosas lendas. 'O Apóstolo' chegou ás salas comerciais. Que tal vai a resposta do público estes primeiros días? Temos un problema. Tivemos un contrato cunha distribuidora para saír en 80 salas coincidindo co Hallowen no Estado español e o día antes avisan de que só estará en 25. Ademais en moitas salas o horario é matinal ou pouco habitual para ir ao cine. Desfixeron toda a nosa estratexia. É unha magoa ver como fóra a película funciona tan ben e aquí non. Marxinan a película e non sei porque. Se nos din antes que non podían, nós podiamos buscar salas alternativas... É moi forte. Somos pequenos e non temos ferramentas para defendermonos. Hai que agradecerlle aos socios e socias do crowdfunding que seguen apoiando a película. Os resultados de recadación que temos agora enganan posto que non se pode comparar horarios bos e malos, mesmo ter unha sesión ou varias no mesmo cinema. É todo un pouco absurdo. Quédanos que a xente saiba que estas cousas pasan.
NOS_21655
O sábado e o domingo celébrase en Vilachá de Salvadur a 25ª Feira do Viño de Vilachá de Salvadur (Pobra do Brollón), que ten lugar nun conxunto etnográfico composto por varias adegas centenarias.
- Esta fin de semana celébrase a Feira do Viño de Vilacha. Que se pode facer alí?- É a 25ª edición da Feira e comeza mañá sábado ás 6 da tarde, aínda que seguramente xa hai xente que vai a mediodía a comer o polbo. E a festa celébrase nun entorno singular, no conxunto etnográfico das adegas de Vilachá de Salvadur, que son adegas centenarias. E o que ten diferente doutras feiras do viño, que se degusta en stands, é que aquí a degustación faise nestas adegas. Isto comeza ás 6 da tarde, con cinco grupos de cantos de taberna, que van estar animando polas adegas. Este ano contamos con doce adegas abertas. E ás 9 hai unha chourizada que se fai todos os anos e logo hai unha actuación dun grupo folc que se chama Milesios. - E o domingo?- Ás 12 van dar unha alborada polas adegas o grupo de gaitas da Escola de Música Municipal e logo, a continuación, outros cinco grupos de cantos de taberna tamén van animar polas distintas adegas. Á unha vai ser o pregón a cargo do presidente do Consello Regulador Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, e a partir das 3.30 hai unha charanga. - Na Cata pode participar calquera ou só especialistas?- Pode participar calquera, non hai unha cata oficial, podes ir probar viños rexistrados na Denominación de Orixe e tamén de adegueiros. - Cantas adegas participan?- Doce. - Son todas do Concello?- Hai colleiteiros de aquí e dos arredores. - Hai outras feiras de viño na Ribeira Sacra. Poderiamos dicir que esta é máis tradicional?- Esta é diferente, isto faise neste conxunto etnográfico, que ten moito valor, e recuperáronse moitas adegas, adecentáronse todas as rúas da zona. A cata non é en stands. - Esas adegas continúan en uso?- Algunhas si, están facendo viño nelas, e outras ábrense só para a Feira. - Son visitables?- Durante o ano é complicado. Como son privadas habería que concertar unha cita. As que están acollidas na D.O. e podes concertar visitas, con pinchos, etc. Pero son adegas moi pequeniñas de colleiteiro, non son adegas de tipo industrial. - Son únicas en Galiza?- Si, o conxunto etnográfico é único. Eu non coñezo outro. E a verdade é que esta feira é unha oportunidade de coñecelo e unha parte da Ribeira Sacra, como é a Ribeira de Vilachá que moita xente non coñece, que asocia só Amandi ou outro tipo de ribeira.
NOS_51671
Ante o aparecimento de diversas noticias que apuntaban a un inminente acordo con Podemos e EU, Sermos púxose en contacto con fontes da dirección de Anova. Na conversa esclareceron que Anova non chegou a "ningún acordo eleitoral" coa esquerda estatal e que o "preacordo" é só sobre un "documento de tipo político".
"Non hai nen haberá ningún acordo de tipo eleitoral partidario no que estea Anova. Anova non albisca ese escenario. O escenario no que traballamos é un no que o protagonismo sexa partillado entre os partidos, as mareas e a cidadanía. Unha eventual candidatura unitaria ten que partir da interacción deses tres actores e non do acordo cupular entre os partidos", afirmou a Sermos un portavoz da dirección de Anova. O pre-acordo ao que se referiu Martiño Noriega nunha entrevista na Radio Galega non sería -enfatizaron estas fontes- sobre a fórmula de concorrencia ás eleccións xerais, senón sobre "os obxectivos e as coincidencias políticas e programáticas". "Ten habido intercambio de documentos [con Podemos e EU] e estase a traballar nun documento conxunto. Estamos a piques de telo", afirman. "É lóxico que Anova se entenda mellor e antes con quen xa comparte grupo parlamentario -en referencia a Esquerda Unida- e con quen ten traballado en espazos de unidade popular nos concellos -en alusión a Podemos. Mais Anova fala e falará con todo o mundo", din, o que deixaría tamén a porta aberta ao diálogo co BNG. "Nen se falou de marcas, nen de siglas, nen de nada polo estilo" Os documentos son políticos e non eleitorais, así que -de acordo con estas fontes- non se entrou a dilucidar a forma concreta de concorrencia dunha hipotética candidatura conxunta. "Nen se falou de marcas, nen de siglas, nen de nada polo estilo. Non son os partidos os que teñen que acordar sobre iso. Só se falou en chave política, non en chave eleitoral". Horizonte de ruptura democrática O horizonte de ruptura democrática é o norte estratéxico que guía os documentos de traballo sobre os que neste momento se debruzan Anova, Podemos e EU. "O acordo ten que ser sobre ese eixo, sobre os pasos que deben levar a un novo proceso constituínte con Galiza como suxeito soberano", din as fontes consultadas. Esclarecen, aliás, que o obxectivo non é nen será a "unidade do nacionalismo". "Isto non é ningunha novidade. Xa o fixou Anova na súa Conferencia Política. Non temos como obxectivo a unidade do nacionalismo. O nacionalismo en si mesmo non é ningunha ideoloxía. Hai segmentos de dereita e de esquerda. Estamos neste momento por unha confluencia máis ampla, que trascenda o ámbito do nacionalismo e que teña como horizonte estratéxico a ruptura democrática".
PRAZA_8086
Abren dilixencias contra tres deles, aos que se lles imputa e desobediencia por impedir o paso dos vehículos policiais e de bombeiros na paralización do desaloxo da anciá coruñesa.
Varias persoas veñen de ser imputadas por deter o desafiuzamento de Aurelia Rey, a anciá coruñesa cuxo desaloxo foi paralizado pola presión social hai dúas semanas. Segundo asegura Stop Desahucios, son tres os activistas que terán que ir a declarar ao xulgado, logo de ser denunciados polos altercados que tiveron lugar o pasado día 18 de febreiro. Naquela xornada, a mobilización cidadá logrou deter o lanzamento previsto para a muller de 85 anos, logo dunha xornada de tensión na que houbo varias cargas policiais e na que cargos públicos acabaron polo chan. Ábrenlles dilixencias por desobediencia leve ao impedir o paso dos vehículos policiais e de bombeiros É o Xulgado de Instrución número 3 o que vén de abrir dilixencias procesais contra varios activistas por impedir o desaloxo de Aurelia, aínda que ningún deles é bombeiro -un deles negouse a cortar a cadea que impedía a entrada no edificio- nin político. Aos activistas impútaselles desobediencia leve por impedir o paso dos coches policiais e de bombeiros durante unha protesta na que os concelleiros de EU e BNG no Concello da Coruña, César Santiso e Xosé Manuel Carril, e o deputado no Parlamento galego, Francisco Jorquera, foran zarandeados por varios axentes. HABERÁ AMPLIACIÓN
PRAZA_18054
Alumnado e profesora paralizaron a ESAD no primeiro dos tres días de folga programados para esta semana. Protestaron ante a sede da Xunta en Vigo demandando as mesmas condicións que o resto de estudos superiores.
A Escola Superior de Arte Dramática (ESAD), con sede en Vigo, perdeu o 20% do seu profesorado dende o ano 2014, a pesar de que o número de alumnos e alumnas é nestes momentos é semellante ao que existía nos anos previos ao recorte. Ese curso, ademais, a Consellería de Educación eliminou tres novas prazas docentes. O alumnado e o profesorado da ESAD levaron a cabo este luns o primeiro dos tres días de folga programados para esta semana, unha mobilización na que participou o 100% da comunidade educativa, paralizando por completo o centro. Estudantes e docentes esixen tamén a equiparación da súa titulación co resto dos estudos superiores, unha batalla que nos últimos anos veñen dando todas as ensinanzas artísticas. A Consellería de Educación está aplicando a regulamentación propia do ensino medio e non da universidade, como lles correspondería A comunidade educativa da ESAD manifestouse este luns ante a sede da Xunta en Vigo, onde denunciaron que a Consellería de Educación está aplicando a regulamentación propia do ensino medio e non da universidade, como lles correspondería ao tratarse dunha titulación superior, organizada a través de créditos e con titorías docentes. Acusan especialmente ao inspector Gustavo Lorenzo Prozzo, "que amosa unha actitude totalmente hostil arbitraria na súas funcións con respecto á ESAD", denuncia a CIG, e que estaría a aplicar incorrectamente a normativa do ensino medio, o que levou a esa redución de profesorado. Os docentes da ESAD advirten de que os recortes aplicados pola Xunta obrigarán o alumnado a marchar a Madrid ou Barcelona na procura sun ensino de calidade ou de determinadas especialidades, convertendo a Escola galega "nun centro de provincias". Os recortes aplicados pola Xunta obrigarán o alumnado a marchar a Madrid ou Barcelona na procura sun ensino de calidade ou de determinadas especialidades, convertendo a Escola galega "nun centro de provincias" Este inspector, segundo sinalan, intentou cambiar o perfil das prazas solicitadas e informou negativamente sobre a concesión das vacantes, presionando a dirección do centro e co menoscabo da autoridade do profesorado. O inspector amosa "un enfermizo interese en menosprezar a Escola Superior de Arte Dramática", denuncia a CIG. A central critica ademais que o xefe territorial da Consellería de Educación así como a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos "negáronse a mediar no conflito, o que provocou que finalmente se consumase o recorte de persoal docente para o presente curso escolar. O sindicato pide que "non se poña en risco o prestixio e calidade educativa da única escola que imparte estes estudos" en Galicia. Este martes e mércores están convocadas novas concentracións de protesta.
NOS_24778
Hai dous anos e medio que a socialista Carmela Silva (Vigo, 1960) tomou posesión como presidenta da Deputación de Pontevedra, despois dun pacto co BNG. Remataba así a longa hexemonía do PP, salferida de sospeitas sobre a legalidade de certas actuacións. "A maioría das obras en marcha da época Louzán tiñan gravísimas irregularidades", asegura. Agora presume de políticas medio ambientais e de equidade. Eis un extracto da entrevista que publicamos no Sermos Galiza 282.
Como avalía dous anos e medio á fronte da Deputación? Desde a humildade, fixemos unha transformación radical da Deputación de Pontevedra. Fixémola transparente. Tomamos todas as decisións con base a que houbese máis dereitos e máis equidade. E facemos as cousas sen cometer ningunha irregularidade. Antes, a maioría dos proxectos tiñan serias irregularidades. Nós somos un goberno aberto, que pensa no desenvolvemento dos concellos e da veciñanza. Ademais, cambiamos radicalmente as políticas. Evitan o clientelismo tradicionalmente asociado á Deputación de Pontevedra? Como? É unha loita. Contra o clientelismo, o caciquismo e a capacidade do presidente de ter libre disposición dos cartos. El decidía persoalmente canto se investía e onde. Non pode ser. A xente esixe transparencia, bos gobernos e boas prácticas. E que se repartan os recursos de forma equitativa. Rachamos con ese modelo. Son os concellos, directamente elixidos pola cidadanía, os que deciden. Corenta millóns en 2016, 41,2 millóns en 2017 e agora en 2018 42 millóns. Este ano permitimos presentar grandes proxectos que precisan máis recursos: poden usarse recursos da liña de investimentos do plan de 2019. Algúns concellos non reciben apoio da Xunta en competencias que son exclusivas dela e nós somos o seu apoio. Como reciben os concellos esta mudanza nas prácticas políticas? Están encantados. Os gobernados polo BNG, polo PSdeG, por independentes ou polas Mareas. Pero particularmente están encantados os alcaldes e alcaldesas do PP. Cal era o temor dos alcaldes e alcaldesas do PP? Que chegásemos nós e fixésemos o mesmo que eles ao revés. Investir nos concellos onde gobernamos. Levaban toda a democracia vendo iso e xeráranse moitos desequilibrios. Había concellos do PP que tiñan tres pavillóns deportivos e concellos gobernados polo BNG ou polo PSdeG que non tiñan nin un. Cando ven un plan concellos equitativo, que respecta a autonomía local, pois están encantados. Que ocorre? Que o señor Rueda non lles deixa dicilo publicamente. Pero en privado e falando con outros alcaldes din que están encantados e que este é o modelo. O señor Louzán tiña 20 millóns de euros a libre disposición. El decidía! Sobre infraestruturas e sobre asociacións. Incumpría a lei de subvencións. Era terríbel o que pasaba aquí! Clientelismo e caciquismo. Isto provocou que a xente tivese unha imaxe tan negativa das deputacións, particularmente da de Pontevedra. [Podes ler a entrevista íntegra no número 282 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]
NOS_54969
A resolución dos indultos ás presas e presos políticos cataláns achega a posibilidade de activar a mesa de diálogo bilateral Estado-Catalunya, cuxa primeira reunión Aragonès prevé para o verán. Ao tempo, algúns dirixentes do PSOE esporeados polo ex presidente Felipe González súmanse á campaña do PP.
O cada día máis previsíbel indulto ás presas e presos políticos cataláns está creando as condicións de distensión que se viñan reclamando desde Catalunya para avanzar na mesa de diálogo bilateral co Estado. O novo presidente catalán, Pere Aragonès, sinalou que "os independentistas nunca nos teriamos que erguer da mesa de negociación", e que "non lle imos pór barato ao Estado pasar esta pantalla para ir á da forza, onde está cómodo", salientou nunha entrevista en TV3. Aragonès apelou a insistir para que "os demócratas españois vexan que só a través dun referendo pode haber solución ao conflito", e por iso pediu apostar polo "acordo nacional pola amnistía e a autodeterminación". Desde hai días o novo president reitera que aínda que a amnistía é imprescindíbel, os indultos axudarían a calmar a dor pola represión practicada polo Estado. O lendakari, Iñigo Urkullu, defendeu hoxe que os indultos ás presas e presos políticos cataláns son dos "máis xustificados" dos que se produciron nas últimas catro décadas, e poderían achegar a "unha convivencia futura baseada no diálogo político". Desde o Goberno do Estado, a ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, destacou que a aposta do Executivo é "incorporar a Catalunya o marco constitucional e evitar a ruptura". Tamén avalou os indultos Salvador Illa, secretario xeral do PSC. Porén, xa xurdiron as primeiras fendas dentro da forza socialdemócrata, co presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García Page, e o de Extremadura, Guillermo Fernández Vara, encabezando as críticas, esporeados polas declaracións en contra da medida de Felipe González, ex presidente do Estado. Pola súa banda, o PP, por medio do seu secretario xeral, Teodoro García Egea, anunciou que presentarán mocións en contra do indulto nos concellos do Estado, despois de advertir que irán ao Tribunal Supremo ao producirse os indultos, o que segundo fontes recollidas por Europa Press non se producirá antes da terceira semana de xuño. Rego critica o informe do Supremo por "criterios antidemocráticos" O Tribunal Supremo defende "criterios antidemocráticos" lonxe da "neutralidade política", salientou esta quinta feira na cámara baixa Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, despois de coñecerse o informe do tribunal en contra de conceder os indultos ás presas e presos políticos cataláns pola súa falta de arrepentimento. Rego amosouse sorprendido polo sentido da resolución despois de que o mesmo Supremo apoiara o indulto a persoas que entraron "disparando no Congreso", como Antonio Tejero, "iso si son verdadeiros golpistas", afirmou Rego. Aínda que expresou o seu apoio á petición do independentismo catalán de amnistía acompañada dun referendo de autodeterminación, resolveu que "o lóxico é que se produzan eses indultos", e explicou que cando un problema político se acomete pola vía xudicial, sempre se "enquista".
PRAZA_12592
O organismo internacional recomenda un novo modelo para estados como España, afectados gravemente pola morosidade do ladrillo. "A reestruturación da débeda dos fogares mitigaría o impacto sobre o consumo e o prezo da vivenda", di.
"Que poden facer os gobernos para apoiar o crecemento cando a débeda dos fogares se converte nun problema?", pregúntase o FMI nun informe. O organismo internacional respóndese a si mesmo e, aínda que advirte das bondades da "rede de protección social" dos estados, "do relaxamento da política monetaria para reducir os pagos das hipotecas" ou "do apoio ao sector financeiro", recoñece que non é dabondo. "O estímulo macroeconómico ten as súas limitacións", di nun dos capítulos do dossier Perspectivas Económicas Mundiais. Así, a entidade propón aos países máis afectados pola burbulla inmobiliaria "a reestruturación da débeda dos fogares" a través de "programas audaces e de grande alcance", e pon como exemplo dous casos: as políticas aplicadas polos Estados Unidos nos anos 30 e a aplicada por Islandia nesta mesma crise. "Poden reducir significativamente a carga de devolución da débeda e o número de impagos e execucións hipotecarias", recoñece. En resumo, o FMI propón imitar a Islandia e aplicar unha quita á débeda dos fogares para "mitigar o impacto da morosidade sobre o consumo e o prezo da vivenda". O informe fai fincapé, sobre todo, no caso daqueles estados nos que "as consecuencias da crise se ven agravadas ao existir previamente un excesivo endebedamento privado como España, Islandia, Irlanda, Reino Unido e os Estados Unidos". Segundo o documento, a recesión e os problemas inmobiliarios nestas economías provocan problemas "máis severos e prolongados", xa que a xente endebedada "reacciona máis ante os cambios nos ingresos e patrimonio", o que reduce os seus gastos e crea "un círculo vicioso" con efectos negativos para a economía. Ademais, o FMI advirte que o éxito destes programas depende dun deseño axeitado. "Os criterios de participación demasiado restritivos e os incentivos mal estruturados poden limitar a eficacia dos programas; e á inversa, os programas demasiado amplos poden ter graves efectos colaterais e socavar a saúde do sector financeiro".
NOS_39955
Este surto de Covid "está acotado", inalan desde o Sergas
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) detectou un foco de Covid-19 con dez casos positivos no municipio de Chantada (comarca de Chantada) con orixe nunha comida dun grupo de amigos. Así o confirmou o xerente da área Sanitaria Lugo, A Mariña e Monforte, Ramon Ares Rico, quen explicou que en relación á situación da pandemia no distrito de Monforte, na zona sur da provincia, agora mesmo hai "un foco activo en Chantada" que "se iniciou con 8 casos, todos relacionados entre si, que veñen dunha comida dun grupo de amigos", a finais da semana pasada. O xerente explicou que se fixeron os cribados "de todos os contactos e saíron dous máis", o que elevou de oito a dez os contaxios. "Levamos dous días sen que teñamos achega de novos casos", abundou. Por iso, Ares Rico resaltou que este surto de Covid "está acotado" despois de xurdir de "unha comida dun grupo de amigos". "Está acotado a este grupo", insistiu. Con todo, apelou a "ter moito coidado" e manter "todas as medidas de seguridade" porque "a pandemia non acabou e o virus segue circulando". "Se lle damos oportunidade e non mantemos a distancia até que non esteamos cunha porcentaxe máis alta de vacinación o risco de que as persoas máis novas póidanse infectar e seguir transmitindo a infección é alto", concluíu.
NOS_32928
O liderado do ex vicepresidente aumentou progresivamente desde o pasado mes de marzo, cando superaba o presidente estadounidense en tres puntos.
O ex vicepresidente dos Estados Unidos Joe Biden mantén unha vantaxe de 12 puntos sobre o presidente, Donald Trump, de cara ás eleccións presidenciais previstas para o próximo mes de novembro, segundo unha enquisa sobre intención de voto da Universidade de Monmouth. A sondaxe, que foi difundida nesta quinta feira, 2 de xullo, mostra que Biden lograría 53% dos votos fronte ao 41% que obtería o actual inquilino da Casa Branca. O mes pasado, a Universidade de Monmouth difundiu resultados sobre outra enquisa que daba 52% das papeletas a Biden fronte a 41% de Trump. A enquisa evidencia unha das maiores eivas a que se enfronta o magnate neoiorquino: o número de electores que mudou de idea respecto a hai catro anos. A metade dos votantes rexistrados aseguraron que probabelmente non apoien a Trump, mentres que 39% di o mesmo de Biden. Mentres que Trump se beneficiou en 2016 do feito de ter unha rival política "pouco popular", Hillary Clinton, a sona de Biden xoga agora en contra do presidente e supón un novo desafío para el. Polo menos 44% dos votantes ve de bo grado a Biden, en tanto que a popularidade de Trump está 17 puntos por baixo. O liderado de Biden aumentou progresivamente desde o pasado mes de marzo, desde 3 puntos porcentuais até os 12 actuais. Fontes da Administración Trump revelaron ao diario Politico que o magnate é consciente de que parte desde unha mala posición de cara á carreira electoral. A campaña de Trump, pola súa banda, alude continuamente á idade de Biden e trata de suscitar a posibilidade de que o ex vicepresidente estea en "baixa forma cognitiva". Trump refírese habitualmente a el como Sleepy Joe ("adormecido Joe"). Con todo, 52% dos votantes cre que Biden está cualificado física e mentalmente para ser presidente, máis do 45% que considera o mesmo de Trump.
PRAZA_20579
O Goberno galego condecorou neste 2017 a Miguel Ángel Blanco, Isabel Castelo, Aníbal Cavaco Silva e José Manuel Romay Beccaría, mentor político do presidente da Xunta HEMEROTECA | Feijóo condecora o seu pai político
Por quinto ano consecutivo a Xunta non organiza acto ningún polo Día Nacional de Galicia. Tras a suspensión da entrega das Medallas de Galicia o 25 de xullo de 2013 por mor do accidente de Angrois, que acontecera na xornada previa, ao ano seguinte o Goberno galego decidiu desprazar a cerimonia dos seus máximos galardóns ao 24 para facela cadrar co aniversario do descarrilamento -movemento que boa parte das vítimas rexeitaron- e nesa data permaneceu ata agora. Neste 2017 o Goberno galego outorgou as súas Medallas nun evento na Cidade da Cultura que Alberto Núñez Feijóo aproveitou para lanzar un discurso contra o que definiu como "nacionalismo desaforado". Como aprobara o Consello da Xunta as condecoracións deste ano estiveron encabezadas pola homenaxe póstuma a Miguel Ángel Blanco, o concelleiro do PP en Ermua (Biskaia) asasinado por ETA hai 20 anos. No seu nome recolleu a Medalla a súa irmá, María del Mar Blanco, a tamén deputada popular que definiu o irmán como un "mozo valente" que "foi capaz de enfrontarse aos terroristas" e considerou tamén que "ETA segue sendo o presente". Tras a intervención de Blanco e un brevísimo discurso da aristócrata e empresaria Isabel Castelo, tamén galardoada, interveu o ex-presidente conservador portugués Aníbal Cavaco Silva, que loubou a relación de Portugal e Galicia como "espaço europeu privilegiado de interacção e cooperação". Romay presentou a Feijóo como "ese outro fillo" que "representa todos os meus soños políticos" O discurso máis prolongado dos galardoados foi o de José Manuel Romay Beccaría. O ex-conselleiro, ex-ministro, actual presidente do Consello de Estado e mentor político do presidente da Xunta inzou a súa intervención de agradecementos simbólicos e concretos, dende Quevedo a Churchill, Adolfo Suárez, Felipe González, Albor e Fraga, o Papa, Amancio Ortega ou "as nais galegas". Romay detívose tamén na referencia "ao PP, o partido de Miguel Ángel Blanco e Gregorio Ordóñez" e xusto a continuación "na decencia e a honradez, o único patrimonio que ninguén pode expropiar a un home" e, nun discurso pronunciado case integramente en castelán, evocou os seus tempos de conselleiro e Sanidade e fixo mención expresa a Feijóo, "ese outro fillo" que "representa todos os meus soños políticos". O presidente alienta o "patriotismo legal" Tras os discursos das persoas galardoadas chegou o do presidente, que a vinte e catro horas do Día Nacional considerou que "Galicia celebra cada 25 de xullo a súa festa da unidade". Entre mencións máis ou menos implícitas ao soberanismo catalán -"pretendendo reafirimar unha identidade mal entendida pérdese a cohesión", reflexionou- o xefe do Goberno galego chamou ante un auditorio ateigado a confrontar "o patriotismo que se inspira nas leis" coa "modalidade de nacionalismo sustentado en historias míticas nas que non falta un inimigo real ou fabulado", dixo entre citas do padre Feijóo. Feijóo alerta dos efectos da "modalidade de nacionalismo sustentado en historias míticas nas que non falta un inimigo real ou fabulado" "Todos sabemos as consecuencias" de ir "cara ao nacionalismo desaforado", dixo o presidente, e por iso, di, cómpre alentar o "patriotismo legal e constitucional", que "dá forma aos estados máis libres e avanzados" e facelo combinando estes elementos coa "galeguidade, que se nutre da historia, da cultura, da paisaxe..." e co propio autogoberno de Galicia, "que descansa no marco constitucional e estatutario", marco legal que define como "catedrais dunha pedra diferente, capaces de acoller a todos". O xefe do Executivo culminou o seu discurso, como adoito, cunha mención aos premiados a comezar por Miguel Ángel Blanco, que "se rebelou contra o terror" e a quen contrapón ás "modernas rebeldías que non supoñen risco ou ameaza para os autores" do asasinato do edil, dixo. Tras presentar a Cavaco como "o principal dirixente da historia democrática de Portugal" desfíxose en eloxios cara a Romay, "sobredose oportuna de prudenica e moderación" que, asegura, deu "toda unha vida ao servizo de Galicia e de España". "Somos moitos -proclaou. os que con éxito desigual teimamos por seguilo".
NOS_26410
No sector das TIC as mulleres só ocupan un de cada tres postos de traballo, e 30% das empresas non teñen ningunha muller no cadro de persoal, segundo un informe do Consello Galego das Mulleres.
A fenda de xénero no emprego do sector das TIC —tecnoloxías da información e a comunicación— alcanza case os 35 puntos; isto é, dos 24.393 postos de traballo que xeraron estas actividades en 2020, só 32,6% foron ocupados por mulleres, polo que "existe o risco de que as mulleres queden excluídas dos empregos do futuro, onde a tecnoloxía será fundamental". Estas son algunhas das conclusións recollidas no Informe As Mulleres e as TIC, elaborado polo Consello Galego das Mulleres. O documento foi presentado esta cuarta feira ante o pleno do Consello, coa participación do secretario xeral técnico da Consellería de Emprego e Igualdade, José Ramón Pardo Cabarcos, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. A Galiza "rompeu" por primeira vez en 2020 a fenda dixital de xénero, segundo a Consellaría de Emprego e Igualdade A menor presenza laboral feminina por tipo de actividade, detallan, concéntrase na fabricación de compoñentes electrónicos (10,4%) e na fabricación de computadores (12,5%). Outro dos datos que preocupan é que 30% das empresas TIC que operan na Galiza non contan con ningunha muller no seu cadro de persoal e só en 14% dos casos existe presenza de mulleres nos equipos directivos. O informe achega datos tamén a respecto da formación profesional e universitaria no país. Así, se 55,8% das matriculacións universitarias corresponderon en 2020 a mulleres, en titulacións máis técnicas "a súa presenza baixa". É o caso de informática, onde nin se alcanza 12%; ou nas enxeñarías, onde copan 28%. En formación profesional, 43% das matriculadas son mulleres, pero en informática e comunicación a porcentaxe baixa até 15%. "Encamiñar as nenas" cara as TIC Ante esta situación, a Xunta avoga por colaborar coas universidades, con entidades privadas e no seo da comunidade escolar, "para encamiñar ás nenas e mozas cara á formación TIC e para promover a iniciativa empresarial tecnolóxica, tamén no medio rural". Con este obxectivo, o Goberno galego estabelecerá "mecanismos de colaboración" coas universidades e axentes de emprendemento para "achegar as estudantes ás carreiras técnicas". Nesta liña, defende a implicación transversal dos responsábeis da formación profesional, dos equipos de orientación dos centros escolares e dos departamentos centrados no ámbito rural para "mellorar e ampliar a representación feminina no sector e achegar as mulleres a iniciativas de base tecnolóxica". As mulleres gañan ao ano 4.500 millóns menos que os homes Sinalan ademais que parte dos retos pasan pola sensibilización da sociedade na diminución da fenda dixital de xénero "con iniciativas específicas de divulgación e no reforzo da formación tecnolóxica para a vida cotiá". En relación a isto puxeron como exemplo o programa de capacitación de 10.000 mulleres de contornas rurais, cun investimento de máis de cinco millóns de euros. Lei de igualdade Na reunión tamén se abordaron os avances na tramitación do anteproxecto da Lei galega de Igualdade. O período de consulta pública previa finalizou a pasada segunda feira e agora continuarase coa tramitación do texto legal co que o Goberno galego "busca seguir avanzando na igualdade laboral, actualizar e unificar nunha mesma norma as actuacións e medidas para a loita contra a discriminación múltiple e os ataques sexistas, e referendar o compromiso co emprego feminino de calidade".
PRAZA_20941
As actuais 967 hospitalizacións ligadas á COVID son apenas 140 menos que no pico de presión hospitalaria da primeira vaga mentres o récord de casos activos, por primeira vez máis de 18.000, contribúe a sobrecargar a Atención Primaria e o rastrexo. Este sábado, Sanidade suma 1.889 casos novos, outro récord en vinte e catro horas, e 15 mortes máis
O número de persoas que padecen a COVID-19 e están ingresadas nalgún hospital galego chega este sábado, 23 de xaneiro, con datos pechados ás seis da tarde do venres, ás 967. Son 35 máis que un día antes e 370 máis que o mesmo día da semana anterior. E apenas 140 menos que no pico de hospitalización da primeira vaga da pandemia, nivel que, dado o ritmo xeral das últimas xornadas, será acadado e superado a comezos da vindeira semana.As actuais 967 hospitalizacións ligadas á COVID son apenas 140 menos que no pico de presión hospitalaria da primeira vagaO número xeral de ingresos e, moi especialmente, o volume de pacientes infectados que precisan ir á UCI -actualmente son 142, mentres que o pico do outono quedou en 106 e o da primeira vaga se situou en 177- son o principal indicador da presión que o sistema sanitario sofre por mor da pandemia. Pero non o único. Combinado con outros, xa é posible afirmar que a actual carga que soporta o Servizo Galego de Saúde a causa do coronavirus non ten precedentes e é a maior dende o comezo da pandemia. [Un de cada catro pacientes COVID que foi á UCI en Galicia dende o desconfinamento ingresou nas últimas dúas semanas]O primeiro feito que xustifica esta afirmación é que a presión hospitalaria non é só a reflectida nas cifras de persoas con test positivo da COVID-19 que ocupan unha cama ordinaria ou na UCI. Non en van, en aplicación dos protocolos vixentes, as persoas ingresadas por mor do coronavirus e superan a infección, desaparecen desta estatística aínda que precisen continuar hospitalizadas por mor doutras complicacións de saúde.O gran número de "positivos activos", por primeira vez máis de 18.000, contribúen a incrementar a presión sobre a Atención Primaria e o rastrexoCómpre ademais ter en conta outro factor. Tamén está disparado o número de persoas que, tras dar positivo, teñen prescrito o illamento domiciliario. Son todas as persoas consideradas como casos "positivos activos" que non están hospitalizadas. Tras rexistrar un total de 22.277 novos casos dende o pasado 1 de xaneiro, o total de casos activos superou este sábado a barreira dos 18.000 e deles, 17.319 (incluíndo residentes en centros de maiores e dependentes) están illadas a domicilio. Isto implica, daquela, unha carga sen precedentes para os servizos de rastrexo mais tamén para a Atención Primaria en plena campaña de vacinación.Manuel Ferreiro, médico de Urxencias do CHUAC: "Estamos sufrindo un dos momentos máis duros, polo número de casos e pola súa gravidade"Dende a área sanitaria con máis persoas hospitalizadas e máis casos activos, a da Coruña-Cee, as alertas do propio persoal do Sergas véñense multiplicando nos últimos días e son difundidas dende a propia xerencia. Este sábado, quen pon voz a esas advertencias é Manuel Ferreiro, médico no servizo de Urxencias do CHUAC."Os profesionais de Urxencias estamos sufrindo un dos momentos máis duros da pandemia, tanto polo número de pacientes" que chegan a causa do coronavirus "como pola gravidade dos cadros clínicos que presentan", explica o doutor Ferreiro. "Sempre estaremos aí para atendelos, pero o cumprimento das normas é fundamental para que, entre todos, superemos con éxito esta situación de extrema esixencia", resume.Catro máximos seguidos no cómputo de casos novosEste é o cadro xeral sanitario nun contexto no que a foto fixa do día está lonxe de reflectir acougo. Os 1.889 novos casos que se incorporan este sábado ao cómputo xeral (1.515 deles, diagnósticos mediante PCR), os rexistrados entre as seis da tarde do xoves e a mesma hora do venres, supoñen un récord máis de positivos en vinte e catro horas, o cuarto consecutivo.O Sergas suma 1.889 casos novos, outro récord en vinte e catro horas, e 15 mortes máisEn termos de días naturais, a situación é semellante. O pasado mércores, día 20, rexistrouse o que ata agora é o máximo de casos (1.859) e os datos do xoves, último día cos datos pechados, son practicamente idénticos (1.854). Neste contexto, a media diaria de diagnósticos por PCR a sete días segue á alza e xa se aproxima aos 1.200 nun contexto no que o único e levísimo sinal esperanzador é que os ritmos de incremento semellan comezar a decelerar.Mentres todo isto sucede, o empeoramento xeral segue traducíndose en máis falecementos. Este sábado, os datos do Sergas confirman outros 15 que elevan o total ata 1.599. Dez destes falecementos corresponden ás vinte e catro horas previas e os outros cinco, a días anteriores. Unha desas mortes ten data o pasado mércores, día 20, o día con máis falecementos de persoas contaxiadas pola COVID-19 dende o 18 de abril [datos completos, nesta ligazón]. Nos últimos sete días, Galicia rexistra unha media dunha ducia de mortes por xornada oficialmente ligadas á pandemia.Incidencia acumulada a 14 días superior a 600 por primeira vezA gran cantidade de novos casos que afloran mantén á alza, cun ritmo e intensidade igualmente sen precedentes, os datos de incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) tanto a 7 como 14 días. A incidencia das últimas dúas semanas, cos datos do último día completo, supera por primeira vez os 600 casos novos por cada cen mil habitantes para o conxunto de Galicia, pero tres áreas sanitarias (A Coruña, Santiago e Ferrol) están xa por riba dos 700.A actual incidencia acumulada a 7 días da COVID-19 en Galicia xa é maior que o que, o pasado novembro, foi o pico máximo da incidencia a 14 días A incidencia acumulada a 7 días tampouco permite albiscar, polo momento, un cambio de tendencia. Ben ao contrario, os 365 casos por cada cen mil habitantes na última semana que reflicten os últimos datos dispoñibles dan lugar a unha situación que reflicte ben ás claras o empeoramento xeral. A actual incidencia acumulada a 7 días xa é maior que o que, o pasado novembro, foi o pico máximo da incidencia a 14 días, que roldara os 342 [ambas series completas, nesta ligazón]As incidencias acumuladas máis elevadas a 14 días esténdense cada vez máis sobre o mapa de Galicia. Os concellos con máis de 500 novos casos por cada cen mil habitantes nas últimas dúas semanas son xa case 150 e os que superan os 1.000 son máis de 70. Ademais, esas incidencias máis elevadas xa non atinxen só a concellos de poucos habitantes (onde poucos casos fan dispararse este indicador). Mentres, os municipios sen novos casos rexistrados nas últimas dúas semanas quedan en 25. En novembro e decembro chegaran a roldar o cento.Ourense e A Coruña cruzaron xa o limiar dos 700 casos novos por cen mil habitantes en dúas semanasComo adoito, as sete principais cidades son reflexo do empeoramento xeral. Dúas das máis poboadas, Ourense e A Coruña (por esta orde) rexistran as incidencias acumuladas a 14 días máis elevadas da Galicia urbana, tras superaren ambas os 700 casos novos por cada cen mil habitantes. A única nova relativamente boa neste ámbito é o ritmo de incremento da incidencia a 14 días en Santiago: a capital galega semella que comeza a aplanar a súa curva, aínda que ten unha incidencia por riba dos 600. Na banda contraria, Lugo, segue con niveis moito máis baixos que os do resto de cidades e que os do conxunto de Galicia, pero abandona a senda da estabilidade e xa supera os 200 casos por cada cen mil habitantes a 14 días.Probas PCR ao máximo nivel, positividade entre o 10% e o 11%Todas estas cifras rexístranse nun contexto no que a o número de probas PCR procesadas polo Sergas continúa en máximos de toda a pandemia. Nas últimas vinte e catro horas foron 12.332, máis de doce mil nunha xornada por terceiro día consecutivo. Por días naturais, o primeiro día con máis de 12.000 foi o pasado mércores e a media diaria da última semana é a máis elevada dende o comezo, por riba das 10.300 [podes consultar a serie completa aquí].As taxas de positividade (porcentaxe de PCR que dan positivo) destas probas, condicionadas pola realización de amplos cribados poboacionais, amosan tamén o longo camiño que fica por diante antes dunha mellora clara da situación da pandemia. A positividade media a sete días segue trazando unha liña lixeiramente ascendente, cun ritmo de incremento menor nos últimos días, que se mantén un chisco por baixo do 11%. A Organización Mundial da Saúde segue tendo o 5%, menos da metade, como limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio.
NOS_15288
Salarios de 500 euros ou menos no que descontan as horas en que non hai conexión de internet foi o detonante da denuncia do comité de empresa desta multinacional. Os sindicatos emprenden medidas legais para defender os seus dereitos laborais.
O comité de empresa da multinacional Teleperformance na Coruña vén de anunciar accións após comprobar que se lle descontaban das nóminas o tempo que non estaban conectados por problemas informáticos "Temos contratos de 25 horas con salarios de 400 e 500 euros que aínda por riba quiten da túa nómina 100 ou 150 euros", explica a Nós Diario Tino Fernández, delegado da CIG no comité, "con estes salarios non podemos vivir", engade. A implantación do traballo no domicilio é a fórmula que adoptou a empresa para 90% do seu cadro de persoal, 4.700 traballadoras e traballores en todo o Estado español das que ao redor de 800 están na Coruña. Pagar por traballar O delegado da central sindical nacionalista relata que a Teleperformance implantou o teletraballo cando se anunciou o estado de alerta. "Houbo xente que tivo que mercar un computador para traballar", asegura Fernández, "e se non tes os medios non che dá o teletraballo". Para este sindicalista teñen que "pagar por traballar". Segundo Fernández as condicións da empresa eran "A empresa implanta o teletraballo mais os custes pasan ás traballadoras e traballadores por ser nós quen temos que poñer os equipos, a conexión a internet, a luz e o domicilio". No propio documento que tiveron que asinar para poder acceder a teletraballar para Teleperformance explica o delegado da CIG que había unha cláusula que expresaba que "sen previo aviso a empresa podía aparecer no teu domicilio para inspeccionar o teu posto de traballo, algo que consideramos ilegal". Aproveitar as circunstancias "A empresa está aproveitando para implantalo de maneira definitiva en moitas campañas que serían só de teletraballo sen negocialo nin tratalo coas organizacións do persoal", asegura Tino Fernández a Nós Diario, "sáltanse todos os procedementos que se estabelecen no Estatuto das Traballadoras". Para Fernández esta situación "é un caso claro de aproveitamento dunha emerxencia sanitaria no propio beneficio da empresa". É consciente que o teletraballo disemina ao persoal que traballa na empresa e "a falta de unidade para levar adiante a loita contra estas explotacións e abusos das empresas".
NOS_33575
"Durante la duración del contrato nos comunicaremos con usted en castellano". Así reza o "régimen lingüístico" dunha cláusula dun contrato tipo de Abanca, denunciado pola Mesa e polo que pide explicacións a Xunta. En declaracións a Sermos, a filial de Banesco defende o "seu compromiso coa normalización" pero admite que, por exemplo, non é posíbel abrir unha conta corrente en galego. Analizamos se a aposta no idioma propio neste e outros bancos vai máis alá da publicidade, ou é pura mercadotecnia. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 263.
Nesta reportaxe fixemos un pequeno experimento sociolóxico para albiscar cal é o uso real do galego na banca. Banco Santander, BBVA, Caixabank e Bankia son os catro maiores bancos do Estado. Así que esta semana presentámonos en oficinas destas catro entidades en Santiago, e tamén nas de Abanca e Caixa Rural Galega, falando galego e preguntando polas ofertas de depósitos a prazo. Todas as traballadoras e traballadores de banca adaptáronse á lingua do posíbel cliente, pero ningún foi quen de ofrecer documentos no idioma do país. Preguntados se, no caso de abrir definitivamente o depósito, poderiamos asinar o contrato en galego, as reaccións variaron desde as desculpas, pasando pola sospeita ( "¿Para que lo quieres en gallego?") até a retranca ("por estar en galego non che imos pagar máis interese!"). Non houbo ningunha resposta claramente afirmativa. Esta limitada mostra de seis oficinas, en absoluto representativa, si permite albiscar unha contradición: cada vez máis bancos tiran de galego para a publicidade, pero todos prescinden del nos documentos máis importantes, os contratos. "Se quero abrir unha conta corrente, podo asinar un contrato en galego?", preguntou Sermos aos portavoces oficiais de Abanca, líder do mercado da Galiza. "No caso dos contratos aínda non é posíbel o contrato en galego", admitiron antes de puntualizar que "no resto de comunicacións da conta, si". Precisamente, Abanca foi a protagonista dunha polémica lingüística este mes. A Mesa pola Normalización denunciou que "impón o uso do castelán nos contratos, información e comunicación coa clientela". Como proba, achegou unha copia do seu modelo de contrato de crédito, cunha "cláusula lingüística" que reza "la información y términos contractuales se facilitará en castellano. Con su consentimiento, durante la duración del contrato nos comunicaremos con usted en castellano". [Podes ler a reportaxe íntegra no número 283 de Sermos Galiza á venda na loxa e nos quiosques habituais]
NOS_44016
A Asociación Galega de Viticutura (AGV) lamentan a falta de apoios das administracións e advirten que de cara a setembro a situación pode empeorar.
É outro dos sectores machacados pola crise derivada da pandemia do coronavirus. O sector vitivinícola veu como se fechaban mercados e como caída á demanda, unha situación que padecen mentres observan como os discursos que falan de "nova normalidade" van saíndo ao escenario. Desde a Asociación Galega de Viticultura (AGV) advirten que non hai "nin factores nin feitos" que permitan albiscar esa "nova normalidade" e "despexar as incógnitas" que pairan sobre o sector e o futuro "de moitas iniciativas, privadas e colectivas, que naceron nos últimos anos nun dos sectores económicos máis puxantes antes da crise sanitaria en Galiza". Lembran que após a declaración do estado de alarma dirixíronse ao órgano con competencias, a Consellaría de Medio Rural, para lle propor que se traballase en dúas liñas que entendían claves para este sector: Habilitación de liñas de axudas (fiscais, financeiras, de apoio ao mantemento de emprego...) que permitan facerlle fronte aos gastos e á falta de ingresos; e elaboración dun plan de apoio ao sector vitivinícola para o "día despois". Porén, indica a AGV, "non se teñen producido avances claros e concretos". Prazos Indican que en setembro pode haber unha acumulación de viño de colleitas anteriores, que non poideron venderse coa crise, e coincidir coa nova colleita. "Nese momento a crise, que agora golpea principalmente nas vendas das adegas, chegará tamén ás persoas viticultoras que se verán coa uva nas vides e sen que ninguén llas merque ou lles ofrezan prezos por debaixo dos custos de explotación". A AGV-FRUGA, demanda a instauración dos contratos homologados ligados a un prezo que cando menos cubra os custes de produción. Ademais, fan un chamamento ao Conselleiro do Medio Rural "para que facendo uso das competencias que teñen asumidas se desenvolva, a traveso do diálogo co sector, un Plan Estratéxico Vitivinícola Galego".
NOS_25086
O avión de Evo Morales tivo que aterrar de emerxencia en Viena despois de que Francia e Portugal lle negasen o acceso ao sospeitar que ía acompañado de Edward Sonwden. O goberno de Bolivia denunciou "secuestro polo imperialismo".
O avión no que viaxaba Evo Morales tivo que aterrar de emerxencia tras tres horas e media de voo desde a súa saída a Moscú despois de que varios países europeos lle negasen a posibilidade de aterraxe. O presidente en exercizo de Bolivia, Álvaro García Linera acusou a Estados Unidos de estar detrás do que chamou "primeiro secuestro do imperialismo" por impedirlle a Morales regresar a Bolivia. O avión de Morales viuse na obriga de aterrar en Viena ao lle ser negado o permiso de sobrevoar diversos países europeos á súa volta de Moscú onde p participou na cumpre do Foro de Países Exportadores de Gas. Álvaro García Linera denunciou que o impedimento de Evo foi "instruído polo goberno de EEUU. Potencias estranxeiras novamente maltratan e agreden como fai 500 anos, ao pobo boliviano e ao primeiro presidente indíxena". O presidente en funcións de Bolivia definiu o episodio como "secuestro de Evo Morales en Europa" e acusou a Francia e Portugal de "submisión" co goberno americano. Algunhas fontes, entre elas a propia Wikileaks situaban a España entre os países que terían negado ao avión de Morales sobrevoaar o espazo aéreo. O canciller boliviano, David Choquehuanca, denunciou que se puxo en perigo a vida do presidente Morales e explicou que Francia e Portugal cancelaran os permisos para que o avión operara no seu territorio mentras que España deu permiso para realizar operacións nas Illas Canarias mais logo rexeitou a autorización. Distintos gobernos americanos denuncian a violación da Convención de 2004 e Tribunal da Haya ao reter ao presidente de Bolivia. Rafael Correa anunciou a convocatoria dunha xuntanza urxente de Unasur. O presidente de Bolivia declarou no propio aeroporto de Viena que non ía permitir que o seu avión fose rexistrado para comprobar se nel se atopaba Edward Snowden, reclamado polo goberno de Obama acusado de espionaxe aos servizos de intelixencia americanos. A prensa boliviana de onte recollía a noticia de que Morales estaba disposto a dar asilo a Snowden, acusado de espionaxe.
NOS_16598
Dende a central sindical esíxenlle ao Sergas que deixe de reforzar o servizo de emerxencias de Vigo con vehículos en precario.
A CIG denuncia o falecemento na quinta feira dun doente mentres era trasladado ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo nunha ambulancia sen asistencia sanitaria enviada polo 061. Dende a central sindical esixen ao Sergas que "deixe de reforzar o servizo de emerxencias con vehículos en precario" e anuncian que solicitarán as pertinentes explicacións sobre o acontecido. Segundo explican na FGAMT-CIG, o suceso tivo lugar entre as 13:00 e as 14:00 horas cando unha persoa duns 50 anos que viaxaba no interior dunha ambulancia acompañada por un familiar sufriu unha indisposición e non se lle puideron realizar as necesarias tarefas de soporte vital "nin se contaba co material necesario para facelas". "O vehículo, pertencente á empresa Coexam, é de tipo A e non está adaptado para poder prestar asistencia sanitaria, ademais de contar unicamente cun condutor", prosegue a central nun comunicado. En consecuencia, afirma, o doente ingresou xa falecido nas urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro. "A chegada deste vehículo cun só condutor e cunha persoa morta no interior causou un gran balbordo entre o persoal de ambulancias que se atopaba no exterior do centro médico, así como entre os propios traballadorass do servizo de urxencias". Dende a FGAMT-CIG lembran que levan tempo reclamando a necesidade de reforzar o servizo de ambulancias en Vigo e na súa área con vehículos da propia rede do 061 para garantir que sexan de tipo B, que son os que están adaptados para poder prestar asistencia sanitaria e nos que viaxan dous profesionais co título de técnico. "Pero este verán, debido ao aumento do número de emerxencias, o 061 reforzou o servizo en precario botando man de novo da empresa Colectivo Extremeño de Ambulancias (Coexam); fíxoo sen licitación e sen aumentar a rede propia". "Ante o elevado número de servizos derivados polo 061, a empresa opera con até catro ambulancias, pero tres delas son de tipo A, polo que non están preparadas para prestar asistencia sanitaria. E noutras ocasións usan de tipo B, pero cun só condutor, algo totalmente ilegal segundo a normativa de transporte sanitario de Galiza".
NOS_49852
Terán lugar ás 20:00 horas desta segunda feira en diversas cidades e vilas galegas.
A Plataforma Galiza con Catalunya convoca para esta segunda feira concentracións de resposta á sentenza do Tribunal Supremo baixo o lema 'Democracia e liberdade'. Unhas mobilizacións para rexeitar a resolución do alto tribunal e mostrar ao tempo a solidariedade para coas persoas condenadas. As concentracións serán ás 20:00 horas desta segunda feira, día en que se publiqcou a sentenza. Até o momento son 10 as cidades e vilas que acolléran estas concentracións: Mobilizacións convocadas (todas ás 20:00 horas): Vigo, Farola de Urzáiz A Coruña, Subdelegación do Goberno Compostela, Praza do Toural Ferrol, Praza Amada García Ourense, Subdelegación do Goberno Pontevedra, Praza da Peregrina Lugo, Praza Maior Burela, Praza da Mariña Redondela, Praza do Concello Monforte, Praza de España
NOS_3307
A eventualidade na sanidade repercute nas e nos pacientes, afectados pola rotación das profesionais, e mais no propio persoal, que nalgúns casos encadea contratos durante anos. Por ese motivo, sindicatos e colectivos percorrerán mañá as rúas de Compostela nunha manifestación. "Para poder exercer a nosa profesión non podemos concatenar contratos dun día", advirten.
"Estamos fartas, estamos cansas e non podemos seguir traballando así", resume Aurora do Noval, unha das integrantes do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita. Xunto cos sindicatos con representación da mesa sectorial de Sanidade, CIG, CCOO e UXT, e mais outros colectivos como Facultativos Eventuais Galegos en Loita ou a Asociación de Celadores Galegos, as enfermeiras percorrerán hoxe as rúas de Compostela nunha manifestación que reivindica unha maior estabilidade para o persoal de todas as categorías laborais. "Non se trata dun capricho, para poder exercer a nosa profesión non podemos concatenar contratos dun día, de dous días. Iso non é compatíbel coa continuidade dos coidados", acrecenta Aurora do Noval. Esta enfermeira, que encadea doce anos como eventual, explica que sindicatos e colectivos atoparon un punto común na problemática da eventualidade e na precariedade que comporta. "Demandamos un plan galego de emprego e transparencia, tanto no censo do persoal, que a día de hoxe non existe, como nas prazas que son necesarias", expón ela. En tanto, a CIG-Saúde censurou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciase un plan galego de saúde mental ás portas da cita coas urnas do 12 de xullo, unha medida que tachan de "electoralista", cun "uso perverso" da sanidade pública ao amosar preocupación por unha área "que ten totalmente abandonada desde a súa chegada á Presidencia". Pola súa banda, desde CCOO instaron a Xunta da Galiza a estabelecer unha negociación "seria" na mesa sectorial para o "reforzo" do servizo de saúde. O sindicato reclamou garantías para "unha asistencia sanitaria pública e de calidade". As centrais sindicais animaron a participar na manifestación que partirá mañá ás 12 horas da Alameda compostelá, lembrando a necesidade de portar máscaras e manter as distancias.
NOS_16111
Saúdos militares, izados de bandeira, himno español, roupa de camuflaxe, símbolos carlistas empregados polo bando fascista na guerra civil española, " El novio de la muerte" da Lexión, actos de homenaxe "aos caídos"... Non nos referimos ao día a día dunha base do Exército español, senón a campamentos de verán, como o Don Pelayo ou o Campamento Gran Capitán, xestionados por empresas privadas e destinados a nenas e nenos mesmo desde os 7 anos. Aínda que asegura "deploralos", o Ministerio de Defensa e o de Interior colaboran con eles a través do Exército e da Garda Civil.
"Valores tradicionais na milicia e na nosa cultura tradicional española", "respecto e orde", "ensinanza práctica do uso militar e policial da pistola, o fusil de asalto [con armas Airsoft]", "formacións, saúdos, presentacións, comportamento, desfile", "homenaxe á bandeira"... é parte do adoutrinamento que practican no Campamento Gran Capitán, en Navacerrada (Madrid). Está dirixido a escolares de 11 a 21 anos nos meses de verán con "certas inquedanzas próximas ás Forzas Armadas e aos Corpos de Seguridade do Estado" e no que prestan servizo militares en activo, retirados ou na reserva das forzas armadas españolas e da Garda Civil. "Non é recomendábel para rapaces excesivamente pusilánimes e non afeitos a realizar algunha actividade física de maneira cotiá", explica a empresa. Bikinis e móbiles prohibidos Entre as súas instalacións, conta cunha capela onde se oficia misa os domingos. Tamén piscina, mais advírtese da prohibición de empregar bikini, pois só se permite "bañador de piscina". Tamén está prohibida a tenza de teléfonos móbiles e cámaras de fotos, que serán "recollidos e custodiados" pola organización do campamento, que permitirá realizar chamadas, pautadas, ás familias. Do culto á morte fronte ao Día da Paz "O noso campamento non fomenta, nin pretende fomentar, ningún tipo de ideoloxía, ningún, de maneira radical neutro", advirte o Campamento Gran Capitán na súa páxina web, malia o ideario ultraespañolista e reaccionario das súas prácticas. De feito, a través das redes sociais, a empresa organizadora loa figuras como Salva Ballesta, coñecido futbolista da ultradereita española a quen o Celta pretendía fichar como segundo adestrador en 2013. Parabéns das redes sociais ao Celta por non fichar Ballesta Tamén enxalza nas súas publicacións o "día de España" fronte ao que se ensina "no cole", como "Halloween, carnaval ou o Día da Paz" e empraza as familias a transmitirlles aos rapaces e rapazas toda a ideoloxía españolista e colonizadora, "como a honra e a lealdade xa eran a nosa divisa hai máis de 2.000 anos". "Aqueles que caeron combatendo non morrerán nunca", sinala o Campamento, que cita o Cid, Guzmán o Bo, Hernán Pérez del Pulgar, Hernán Cortés, Francisco Pizarro, Isabel a Católica... A conquista da "Nova España" é outro dos logros salientados pola organización, que acusa os indíxenas de "usar outras tribos como gando" e de "masacrar escravos en altares". "Ensínaos a non crer as mentiras que inventaron aqueles que sempre nos odiaron por encubrir os seus propios crimes", engade. As reaccións ás publicacións, que fan loas ao rei de España como "garante da unidade e da continuidade", responden á liña ultraespañolista e chaman á que volva "a mili", con vivas a España. Podería chamarte o Estado español a tomar as armas? Un protocolo "case cruel" A empresa presume de que en 2020 e 2021 decorreu "con completa normalidade" o campamento, "sen máscaras nin distancias de seguridade", con máis de 300 asistentes e con ningún contaxio grazas ao "completo e estrito, case cruel, protocolo de seguridade". Advírteo no texto promocional no que anuncia as edicións de 2022, dirixido a mozas e mozas con prezos que oscilan dos 600 aos 2.000 euros, en función de se a estadía é dunha semana ou de até un mes. A estas cantidades hai que sumar o aluguer das armas réplica Airsoft que, en lugar de balas, disparan bólas de plástico, mais non son inofensivas, de aí a necesidade de usar lentes e protectores bucais. Trátase de instrumentos prohibidos no Estado español en menores de 14 anos. Outro dos campamentos con máis sona é o Don Pelayo, cuxo escudo representa a silueta do caudillo da reconquista española, cunha coordinadora que foi concelleira do PP en Torrejón del Rey (Guadalaxara) e que nas municipais de 2019 concorreu na listaxe de Vox. Na súa web afirma que "transmitir o espírito patriótico" é un dos trazos do campamento, "o coñecemento da constitución española é unha parte importante da identidade nacional, por tal motivo se instrúe sobre esta". Tercios de Lezo completa a oferta dos denominados campamentos de orientación militar. Conivencia do Goberno español Aínda que estes campamentos son organizados por entidades privadas e son as comunidades autónomas as encargadas de regularen as actividades de lecer da infancia e da xuventude, están xestionados por militares en activo ou reservistas e tanto o Ministerio de Defensa como o Interior colaboran con eles ao estabeleceren visitas a cuarteis e bases e ao recibiren charlas de membros das forzas e corpos de seguridade do Estado. Porén, en resposta a unha pregunta formulada por Más País no Congreso español en 2020, o Goberno de Pedro Sánchez, a través do Injuve, dixo "deplorar" estas actividades e expresou a súa "preocupación" pola existencia dos citados campamentos.
NOS_43298
Está convocada pola plataforma 'Non ao TTIP' e decorrerá desde a Praza da Independencia baixo o lema 'Comercio en beneficio do pobo, non das multinacionais'.
A plataforma 'Non ao TTIP Galiza', da que fan parte diferentes colectivos, asociacións e entidades, convoca para este sábado 10 de outubro unha manifestación en Vigo contra os tratados de libre comercio TTIP, CETA, TISA e TPP. A marcha desenvolverase baixo o lema 'Comercio en beneficio do pobo, non das multinacionais' e partirá da Praza da Independencia ás 20.00 horas. Esta mobilización terá lugar simultáneamente en diferentes cidades de distintos países do mundo, protestos para rexeitar estes acordos comerciais que, afirman, van contra a igualdade, os dereitos sociais e laborais, a defensa ambiental e a democracia real. Dous tratados, chamados de "comercio e investimentos", ameazan moi seriamente as nosas condicións de vida, afirman desde a plataforma. Un deles xa negociado con Canadá (CETA) e outro aínda en negociacións con Estados Unidos (TTIP), "que se unen á longa lista de tratados semellantes que se negocian entre países formando un tecido compacto que ameaza seriamente a democracia e a soberanía en todo o mundo".
PRAZA_4895
O presidente da Xunta escúdase en que a conferencia protagonizada por Carmen Lomana foi organizada por unha asociación de xornalistas, se ben o propio Goberno galego informou de que estivera "presidida" polo seu delegado en Madrid
"O que máis vende é un bo personaxe con noticia e o que máis de todo, unha voda de conto de fadas". "O glamour responde máis ao retoque do Photoshop e a unha fama televisiva conseguida en programas de baile". "Calquera pode falar de luxo a pesar de lucir un sobaco con manchas de suor". "Dende logo, a vida é mellor con prensa rosa". Estas foron algunhas das reflexións o pasado día 13 se puideron escoitar na Casa de Galicia en Madrid ou, o que é o mesmo, na delegación do Goberno galego na capital de España, escenario do ciclo de conferencias La prensa del corazón, organizado polo Club de Periodistas Gallegos en Madrid e "presidido", segundo informou o propio Goberno galego, polo seu delegado, José Ramón Ónega. Tal evento, protagonizado por Carmen Lomana, "habitual nas revistas", suscitou as críticas da oposición socialista e, acto seguido, foi xustificado polo propio presidente da Xunta. Ao remate da reunión semanal do Consello da Xunta Alberto Núñez Feijóo foi cuestionado pola pertinencia de que unha delegación oficial acolla palestras deste tipo, vinculadas á prensa do corazón e con nula ligazón con Galicia. "Na Casa de Galicia se programan centos de actividades durante o ano e está especialmente indicada para todas as asociacións profesionais de galegos que residen en Madrid ou en calquera outro lugar de España", evidenciou o presidente, antes de enmarcar a controvertida conferencia nos "actos culturais" ou xornalísticos da delegación galega. Estas "xornadas" foron "promovidas" polo devandito club de xornalistas e "se lles autorizou como se autoriza a outras asociacións galegas". "Nin que dicir ten -afirma- que estas xornadas non supuxeron ningún gasto". Feijóo escúdase en que as xornadas foron organizadas por un club de xornalistas, aínda que foron "presididas" polo delegado da Xunta Dado que, cando menos oficialmente, non houbo que desembolsar fondos especificamente para falar da prensa rosa, Feijóo rexeita "pronunciarse sobre os convidados do Club de Periodistas Gallegos en Madrid", formado por "persoas honorables e respectuosas" que "terán os seus códigos deontolóxicos". "Eu só coñezo unha Lomana, que creo que é directora dunha canle de televisión e me parece unha excelente xornalista", di, en referencia á xefa de informativos de Antena 3". "Sobre outras Lomanas non teño opinión", abondou, despois de retrucar ás críticas do PSdeG polo feito de investir fondos públicos na Casa de Galicia para que esta sexa escenario de eventos coma este. O PSdeG lembra que a función da delegación é "proxectar a imaxe de Galicia" Neste sentido, Feijóo advirte de que "temos datos do que custaba a Casa de Galicai cando gobernaba o PSOE" e "agora custa un 40% menos", o que "non significa, e non oculto, que non é a primeira vez que medito sobre a posibilidade de trasladar os efectivos da casa de Galicia a un lugar máis pequeno e menos custoso". Neste sentido, a parlamentaria socialista Marisol Soneira, quen pedira explicacións ao respecto, lamenta que Feijóo se amose unha vez máis como "especialista en botar balóns fóra" e "pase asubiando" para concluír, "coma sempre, que se gastaba máis co bipartito". "A realidade -advirte- é que non sabemos o que nos custa máis que por aproximacións", xa que a Xunta non detalla o orzamento da súa delegación en Madrid, que actualmente "cumpre unha función que faría unha comisión de festas, dando petiscos e facendo xornadas sobre a prensa rosa" no canto de actuar como o que é, "a delegación da Xunta en Madrid", coa misión de "proxectar a imaxe de Galicia" no exterior.
PRAZA_7960
As novas disposicións do Goberno obrigan os concellos con liquidez a usar os seus cartos a pagar as débedas cos bancos antes que a investimentos reais. O concello bergantiñán dispón de máis de cinco millóns de euros que non pode gastar. "Unha norma que só beneficia os bancos", denuncia o alcalde Evencio Ferrero.
O Concello de Carballo pechará o 2012 co remanente líquido de tesourería máis alto da súa historia, ao redor de 5,6 millóns de euros. Un caso estraño, nun escenario de crise que deixa a meirande parte das administracións locais con elevadas débedas. Porén, as disposicións do Goberno ao abeiro da consigna da austeridade a ultranza -o teito de endebedamento e a lei de equilibrio orzamentario- impiden que o Concello gaste eses cartos en investimentos públicos ou en gasto social. Deben ir destinados a pagar as débedas que Carballo ten cos bancos, que suman 3,6 millóns de euros e polo de agora o Concello non atopou a fenda pola que eludir esta imposición. As disposicións do Goberno ao abeiro da consigna da austeridade a ultranza impiden que o Concello gaste eses cartos en investimentos públicos ou en gasto social. Deben ir destinados a pagar as débedas que Carballo ten cos bancos As boas novas chegaron este venres noutra limitación fixada polo Goberno central, que tamén estableceu a regra do gasto, que limita o desembolso que poden facer as Administracións públicas ao 1,7 % do executado o ano anterior. Porén, despois de petar en bastantes portas, parece que Carballo si poderá elevar ese teito de gasto, ao poder ter en conta as obrigas recoñecidas dos tres últimos exercicios. E tamén se poden incorporar obrigas pendentes de execución. "É unha norma que só beneficia os bancos. Estase lexislando en exclusiva para favorecer os intereses das entidades", denuncia Evencio Ferrero "É unha norma que só beneficia os bancos. Estase lexislando en exclusiva para favorecer os intereses das entidades", denuncia o alcalde Evencio Ferrero (BNG), que salienta non só o sensentido de "castigar" desta maneira as administracións que xestionaron ben os seus cartos e que non se endebedaron, senón o contraproducente que resulta para o benestar das persoas e mesmo para a recuperación económica: "Concellos que estamos en crecemento, que fixemos un control moi rigoroso do gasto e que non gastamos o que non tiñamos, non temos maneira de encaixar os números. Estásenos penalizando e estase impedindo que creemos riqueza e emprego nas nosas comarcas". Ferrero tamén denuncia o cambio de criterios e o carácter "improvisado" destas medidas, aprobadas o 21 de decembro. Os 3,6 millóns de euros que Carballo lles adebeda aos bancos son empréstitos cunhas condicións inmellorables: ao 1,2% de interese. "Chegaron a dicirnos por escrito que tiñamos que destinar os cartos a liquidar os créditos que tiñamos e que se necesitabamos máis cartos tiñamos que pedir outro crédito, ainda recoñecendo que as condicións non serian tan favorcecedoras para as arcas municipais", afirma Evencio Ferrero que engade: "Quen che dá hoxe un crédito ao 1,2%? Con que cara lle digo a un cidadán de Carballo que liquidamos un crédito que tiñamos ao 1,2% e seis meses máis tarde volvemos pedir un crédito ao 5%. É un sensentido". E conclúe: "Agora está entrando todo o mundo no soldo dos alcaldes cando hai outras moitas cuestións que afectan moito máis. Nun crédito dun millón de euros catro puntos de diferenza son 40 mil euros por ano, que non é unha parvada".
PRAZA_13578
Constitúese en Santiago a Cooperativa de Ensino Popular Avoaescola (CEPA), "unha pata máis no banco" para a conformación no vindeiro curso da rede privada de escolas infantís en galego
"Unha pata máis no banco" da futura rede privada de escolas infantís en galego. Este sábado vense de constituír en Compostela a Cooperativa de Ensino Popular Avoaescola (CEPA), un primeiro paso, pero decisivo, para a materialización no vindeiro curso "dun proxecto educativo laico, pluralista, democrático, en valores e de calidade, en calquera punto onde a cidadanía o demande". Tras a celebración da asembleea extraordinaria de Galiza co Galego (GcG), comisión promotora do proxecto, tivo lugar a constitución da CEPA, unha cooperativa que, en palabras do presidente de GcG, Francisco López, supón a posta en marcha "dunha ferramenta que se pon ao servizo e en mans da sociedade, dos mestres, dos educadores e dos pais e nais" co obxectivo de conformar no futuro unha rede de ensino que garanta tamén unha educación vehicular en galego, algo que xa facilitaban as galescolas durante o bipartito pero que quedou imposibilitado co novo Executivo do PP, logo da súa substitución pola rede da Galiña Azul, que non asegura o ensino da lingua propia do país nas idades máis temperás. A cooperativa "posibilita" a pais e educadores a conformación dunha escola Ante preto de 30 persoas, e logo de debater o proxecto económico e social "para unha escola en galego inclusiva" e constituír a CEPA, súbese un chanzo máis na construción dun proxecto que naceu hai xa tempo co compromiso de apoio -tamén económico- de máis de 3.000 persoas a Galiza co Galego (GcG), unha asociación que conta xa cun modelo educativo marco elaborado en colaboración coa a AS-PG e Nova Escola Galega, ademais do apoio de sindicatos educativos ou da Unión das Cooperativas de Ensino. Constitúese así unha ferramenta que "fará posible que, naqueles lugares onde haxa a demanda de escola por parte das familias ou educadores se poida facer", explica Francisco López, presidente de GcG, que aclara que o obxectivo da Cooperativa Avoescola é "posibilitar" a creación de escolas para que logo "os seus impulsores poidan constituír a súa cooperativa independente" e que en rede con outras fortalezan e expandan o proxecto". As achegas económicas chegan dos socios numerarios, e á vez socios da cooperativa, que crean un fondo de escola que garantirá a viabilidade dos centros de ensino asociados. "A cooperativa será a facedora da escola e a creadora de dinámicas de traballo, así como da contratación de mestres e persoal educativo", engade. "O capital económico conseguirase na medida na que o capital humano responda", insiste López, que advirte que xa hai un fondo creado. "A cooperativa será a facedora da escola e a creadora de dinámicas de traballo, así como da contratación de mestres e persoal educativo" "As escolas que vai ter este proxecto dependen da iniciativa social, da iniciativa popular. O único que ten que ter a xente é decidirse e autoorganizarse", engade o presidente de GcG, que insiste en que o proxecto é "o impulsor" dunhas escolas que dependen tamén da implicación da xente que aposte por un ensino "en galego, laico, pluralista e democrático"
PRAZA_9333
Derrubar custaría en indemnizacións e custos materiais uns 60 M€, que arruinarían o concello. A mediación garantiu a vivenda das familias atinxidas e un novo edificio de 50 vivendas de protección autonómica que será promovido polo concello
A cidadanía coruñesa ven de coñecer de xeito moi directo as vantaxes da mediación. No 1997 o Goberno local de Paco Vázquez outorgoulle a Fadesa unha licenza para construir un edifico na antiga sede da eléctrica galega. A licenza era ilegal e así foi declarado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Executar a sentenza determinaba derrubar o edificio todo e botar á rúa centos de familias. O Concello coruñés ofreceulle ao recorrente e á Comunidade de Propietarios do edificio unha mediación, que desenvolveu o antigo Presidente do Tribunal Supremo, Pascual Sala. Derrubar custaría en indemnizacións e custos materiais uns 60 M€, que arruinarían o concello. A mediación garantiu a vivenda das familias atinxidas e un novo edificio de 50 vivendas de protección autonómica que será promovido polo concello. Velaí solucións a problemas que evitan o dano que xera a aplicación rigorosísima da lei. Agora o que compre é pedirlle responsabilidades econòmicas ás persoas responsábeis da licenza ilegal de 1997.Pola súa banda, a mediación política soluciona conflitos porque é quén de enfrontalos sen apriorismos nin prexuizos, recoñecendo o terreo para determinaren as posicións, pretensións e posibilidades de cada unha das partes, avanzar explorando as posicións comúns e avaliando as diferenzas, para aproximar ás partes cara solucións imaxinativas que supoñan vantaxes para cada unha das mesmas.Houbo mediación para acadar os acordos do Venres Santo de 1998 que pacificaron Irlanda. Aznar e González usaron da mediación para tentar pór remate á violencia de ETA e Zapatero usouna para acadar a fin da mesma. Rajoy e Puigdemont relacionáronse a través do lehendakari Urkullu como mediador despois do referéndum catalán do 1-O.Velaí que hoxe máis ca nunca a cuestión catalá precisa dunha mediación, mellor ben afastada das partes en litixio, como o estaba Pascual Sala dos actores do conflito coruñes. No caso catalán, refugar a mediación é optar, como fai a extremista Santa Alianza da dereita tripartita española, polo conflito, pola represión e polo cárcere.Pedro Sánchez adoptou a peor decisión. Despois de alporizar ao nacionalismo extremista español, amosoulle ao conxunto de forzas progresistas e soberanistas o seu medo fronte esa Santa Alianza, rachando un diálogo ao que está constitucional e políticamente obrigado e suprimindo a posibilidade de mediación no conflito catalán.
NOS_46809
Desde que a comezos desta semana o COI anunciara a inclusión do 'breaking' no programa dos Xogos Olímpicos de París 2024 sucedéronse os ataques, sobre todo desde algunhas das disciplinas excluídas como o karate ou o squash, contra unha modalidade deportiva pouco coñecida pero con gran prédica entre a mocidade, tamén na galega.
París, ano 1900. Nos segundos Xogos Olímpicos da era moderna Pedro José Pidal y Bernaldo de Quirós, marqués de Villaviciosa de Asturias, estrea o palmarés do Estado español no torneo cunha medalla de prata. A modalidade? Tiro ao pichón. En 2024 a capital gala volverá acoller uns Xogos, mais, como non podía ser doutro modo, ningunha das competicións consiste en disparar a un animal, porque unha das características principais da raíña das probas deportivas -e do propio espírito olímpico- é a evolución, a adaptación á sociedade e ás súas prácticas. Entón, por que se formou tanto balbordo a raíz do anuncio de que o breaking -xunto co surf, o skate e a escalada- será deporte olímpico en París? Acusacións de "acción de mercadotecnia" do Comité Olímpico Internacional, ou ataques directos con palabras tan duras como "vergoña", "mofa" ou alusións á súa "falta de pureza deportiva" por parte de voceiras a nivel internacional de moitas das disciplinas excluídas da programación -caso do squash, o béisbol, o karate ou ou fútbol sala- sucedéronse nos medios de comunicación de todo o mundo. 'Breakdance' vs 'breaking' Pablo Castiñeira está detrás da Vella Escola, unha entidade especializada na organización de eventos e obradoiros de cultura urbana, traballando modalidades como parkour, graffiti, bmx e, por suposto, breakdance e breaking, que, contra a crenza popular, non son o mesmo. Segundo explica o propio Castiñeira para Nós Diario, "breaking' úsase para referenciar a disciplina olímpica e 'breakdance' emprégase máis no ámbito artístico". E, se ben di "entender" parte dese "sensacionalismo" que se leva feito estes últimos días coa inclusión do breaking no programa olímpico", e mesmo recoñece que o breakdance sempre foi "unha disciplina artística" desde o seu xurdimento no Bronx neoiorquino a finais dos anos 70, reivindica que "ten unha rama deportiva que leva protagonizando competicións desde principios da década dos 90". "A súa estrutura -apunta- é a dun baile que se leva á competición e no que se enfrontan unha persoa contra outra, cun xurado que avalía aspectos como o ritmo e a creatividade das composicións, a calidade da técnica, a súa execución, a enerxía coa que se dá réplica á opoñente e a coherencia nesa resposta, de modo que teña que ver co que el ou ela fixo antes, o que no ámbito urbano denominamos 'pregunta e resposta'. Cuestionado sobre como se articulará a proba en París 2024, Pablo Castiñeira pensa que seguirán o modelo empregado nos Xogos Olímpicos da Xuventude desenvolvidos na Arxentina no ano 2018. Alí, a competencia de breaking estivo segregada entre homes e mulleres -"a pesar de que na rúa adoitan competir xuntas"-, mais "quedan aínda catro anos e todo está por decidir, especialmente tendo en conta que o breaking chegou para quedar, pois tamén estará en Los Ángeles 2028", conclúe. Galiza será pioneira na estruturación do 'breaking' nunha federación deportiva A relación de Pablo Castiñeira co 'breaking' non se limita á Vella Escola, pois tamén está vinculado co Clube Deportivo da Rúa, que desde Neda converteuse en pioneiro no artellamento deportivo dunha disciplina que aínda non está institucionalizada. "Até o de agora as competicións estaban organizadas por asociacións culturais ou empresas, pero con este recoñecemento por parte do COI desenvolverase un circuíto federado cos seus propios equipos e eventos, que a nivel estatal xirará arredor da Federación Española de Baile Deportivo, da que o Da Rúa foi o primeiro clube en inscribirse", debulla Castiñeira, quen engade que desde Galiza axudarán "ás novas xeracións das escolas de todo o país para que teñan opcións a constituír os seus propios clubes e a ter acceso a esa Federación".
NOS_33352
O presidente da Xunta afirma que así se vai recadar un 20% máis e sen aumentar os impostos
Todo gran mago e prestidixitador ten un truco á altura das circunstancias. E se esas circunstancias ( récord de desemprego, graves recortes nos servizos públicos, dependentes sen prestación ou pauperización da poboación da Galiza) se lle botan en cara nun debate parlamentario con luz e taquígrafos, un bo mago sabe que para lograr o titular dos noticieiros terá que facer un anuncio "de sete estalos" que recúe a segundo plano a realidade. E iso fixo Feijóo na sesión de control do Parlamento galego. Sacou un coello da chistera. A creación dunha Axencia Tributaria Galega. E díxoo todo farruco: "Galicia "empeza a recoller os froitos" dunha política económica e social "seria" e por iso o executvo que preside dará luz verde á creación da primeira Axencia Tributaria de Galicia". Na sesión de control explicou, ademáis, que esta axencia tributaria permitirá recadar "un 20 por cento máis sen subir os impostos ao tempo que reivindicaba o aumento de prazas de escolas infantís e do número de dependentes atendid@s esta lexislatura e, de paso, cargou contra os "atrancos" de PSdeG e BNG. Para o BNG, as declaracións de Feijóo son simplemente outro "anuncio baleiro". A voceira nacionalista, Ana Pontón, sinala neste sentido que nun contexto en que Feijóo é coñecido como o "gran recortador", non é críbel que veña á Cámara a facer dous anuncios como o da Lei de Inclusión ou dunha Axencia Tributaria Galega, polo que lle pediu que deixe de autoenganarse e de enganar aos galegos e galegas, asuma a realidade e "amósese disposto a mudar, pero mudar de verdade". Para a parlamentaria, é responsabilidade do presidente poñer medidas enriba da mesa para mudar a situación e se non está disposto a facelo "o mellor servizo que lle poder prestar a Galiza é marcharse". A voceira nacionalista preguntouse que máis ten que pasar para que o presidente da Xunta se dese conta da gravidade da situación e de que está arruinando Galiza. "Vostede fiou toda a estratexia á política de recortes sociais, a desentenderse de buscar solucións para sectores estratéxicos como o naval, paralizar outros sectores tamén moi importantes para o desenvolvemento da nosa economía como o eólico ou permitir que se venda Nova Galicia Banco a 1 euro".
NOS_35341
Malia á mobilización social, o prazo para ingresar os 160.000 euros que se debe aos xogadores finalizou sen que aparecese o diñeiro.
Finalizou o prazo sen que se producise o ingreso dos 160.000 euros adebedados aos xogadores, polo que o CD Ourense descendería automaticamente a Terceira división e situaríase ao bordo da desaparición. Oficialmente non hai noticias, extra-oficialmente, e como afirma un traballador do clube a La Región, "estamos en Terceira". Unha mala noticia, desde logo, para os seareiros do equipo ourensán, que nesta fin de semana intensificaron as mobilizacións na procura dunha solución que impedise o descenso do CD. Houbo especial chamada a Concello e Deputación para que botasen unha man a un clube que representa seis décadas de historia na cidade.
NOS_26736
Deostada polas herdeiras daquelas que a derrotaron coas armas na man, esquecida polas continuadoras da política da amnesia sobre a que se articulou o réxime actual e mitificada por unha parte da opinión democrática, aproveitamos o aniversario da proclamación da II República para analizar as súas luces e as súas sombras. Achegamos argumentos que permiten entender, analizar e revisar criticamente a experiencia republicana da man dalgunhas das estudosas e estudosos do período.
"O 14 de abril supón hoxe pór en cuestión a monarquía actual e o que significa a Transición como renuncia á legalidade republicana e a aceptación da legalidade franquista". Quen así fala a Nós Diario é o filosofo Xoán Carlos Garrido Couceiro, un dos portavoces de Iniciativa Galega pola Memoria. "Foi unha experiencia que abriu grandes expectativas a todas aquelas persoas que viñeran traballando pola emancipación desde unha perspectiva nacional e de clase pero que non tardou en xerar unha frustración neses mesmos sectores, xa no momento de aprobación da constitución de 1931. Nada tiñan a ver as expectativas das forzas nacionalistas e operarias co finalmente aprobado", conclúe Garrido. A escritora e investigadora Montse Fajardo considera o 14 de abril como "unha data especial". "Eu declárome republicana, non só por defender unha forma de Goberno diferente á monarquía, senón pola aposta nos valores republicanos, coa educación á cabeza, como acontece entre 1931 e 1936", di, "pero, fundamentalmente, o 14 de abril é un día para a memoria, memoria dun tempo e dunhas persoas que estaban a construír unha sociedade mellor da que nós fomos quen de erguer", indica Fajardo a Nós Diario, convencida de que "fica moito por avanzar para chegar a unha sociedade como aquela". Sen ruptura "Non houbo unha ruptura co réxime da Restauración, foi unha evolución que abriu a porta a un proceso de ruptura que finalmente non chegou a darse", comenta a Nós Diario o historiador e investigador Eliseo Fernández. "O 14 de abril representaba a posibilidade dun cambio da monarquía á república, que respondía a unha vaga de fondo que procedía do século XIX, impulsada polas organizacións agraristas, sindicalistas e nacionalistas e que cristaliza nese momento", continúa Fernández. "Estamos no marco dun proceso onde o pobo decide converterse en protagonista, parafraseando o historiador Carlos Serrano, é a quenda do pobo", remata Fernández. "Abriu a porta a un proceso de ruptura que non chegou a darse", afirma Eliseo Fernández O historiador Xosé Álvarez Castro pon de manifesto que "foi un período de apertura a sectores tradicionalmente excluídos do mundo da política. As mulleres conquistaron dereitos que non dispuñan, as traballadoras e traballadores entraron en espazos reducidos anteriormente ás elites, os movementos de liberación das nacións periféricas ocuparon un lugar na escena pública e o espallamento da cultura volveuse prioritaria. Os dirixentes republicanos tiñan claro que era imposíbel a democracia sen a alfabetización, desa maneira, naceron experiencias tan importantes como as Misións Pedagóxicas". "A república serviu para unha toma de conciencia acelerada desde o punto de vista nacional e social", agrega Garrido, que destaca como nese período "Galiza levantou a cabeza ao darse conta da necesidade de abrir un novo marco de estruturación do poder do Estado, onde nós tiñamos algo que pintar". Neste sentido expón que o nacionalismo "conseguiu arrastrar as organizacións que negaban o país, comezando polo PSOE, que nun primeiro momento se opuxo ao estatuto". "Valeu, en definitiva, para que se desenvolvese a autoconciencia do país desde unha perspectiva propia, malia que o réxime republicano pretendeu o contrario polo seu carácter fondamente xacobino", advirte o filósofo. Ciencia e ensino "Fico coa súa aposta pola ciencia e o ensino. O compromiso cun ensino laico, coa renovación pedagóxica na liña das propostas da Institución de Libre Ensinanza, coa extensión da cultura, coa experiencia das Misións Pedagóxicas e por suposto a conquista de dereitos polas mulleres, onde se significou a consecución do sufraxio", indica Fajardo. "O mellor da sociedade estivo dedicado á política, moita desa xente despois perseguida liderou importantes proxectos empresariais para o país, como aconteceu con Zeltia ou Pescanova, onde destacaron persoas como Álvaro Xil, encarcerado por participar na defensa da legalidade en Pontevedra e confinado en San Simón", declara Fajardo. "Valeu para desenvolver a autoconciencia da Galiza", di Garrido Eliseo Fernández considera que "o golpe de Estado foi a resposta para evitar a ruptura co pasado que a medida que avanzaba o período impulsaba a sociedade organizada". "Os dirixentes republicanos non gustaban da participación popular, acreditaban nunha república de orde e enfrontábanse con todos os movementos que ían máis alá, como a esquerda ou o nacionalismo. O proxecto republicano era burgués, non quería alterar as formas da propiedade e era tamén moi centralista", pon de manifesto. O historiador engade que "a porta que abriron á solución do problema social e nacional mantivérona entreaberta, botando man moitas veces de solucións autoritarias como demostra a aprobación da Lei de orde pública, da Lei de defensa da república ou da Lei de vagos". "Os titubeos dunha parte das direccións das organizacións republicanas á hora de pór en marcha medidas máis de fondo que implicasen cambios de carácter estrutural provocaron que a desigualdade social non se combatese coa firmeza esixida", acrecenta Fajardo, que considera o golpe de Estado como "unha mostra da loita de clases, onde unha parte da sociedade deixou claro que non estaba disposta a renunciar aos seus privilexios". Resposta perante o golpe Xosé Álvarez sinala que "a conxuntura internacional marcada pola crise económica internacional comezada en 1929 impediu levar adiante reformas, que tamén foron paralizadas pola presenza no Goberno durante máis de dous anos das forzas da dereita". "Xa máis tarde, no momento do golpe de Estado, a resposta das autoridades foi desigual, a postura de pasividade dunha parte dos gobernadores civís, a maioría deles adherentes de Esquerda Republicana, demostrou que polo seu carácter burgués tiñan máis medo ás traballadoras que aos militares", agrega. "Non houbo unha ruptura real co réxime anterior, polo que a II República mantivo en esencia o proxecto do réxime anterior", sinala Garrido, que critica a falla de vontade para "rachar co proxecto militarista hexemónico no Estado, como consecuencia dun modelo colonial que non se cuestiona" e que apunta á "continuidade das elites dos vellos partidos da Restauración na dirección de organizacións como Esquerda Republicana ou do Partido Radical".
NOS_48782
A Atención Primaria na Galiza "está na UCI" por "elección ideolóxica" do PP, denuncia o BNG.
A Atención Primaria na Galiza "está na UCI" por "elección ideolóxica" do PP. Así o aseverou no Parlamento a deputada Montse Prado (BNG), que sinalou a preferencia do Goberno galego por favorecer a sanidade privada en detrimento da pública. "As e os profesionais están fartos de multiplicarse para lograr dar unha mínima atención e non o conseguen", lamentou. Socialistas e nacionalistas presentaron mocións no pleno para impulsar a Primaria, logo de que a Xunta estipulase que as citas presenciais non pasarán de 60% e que 40% serán vía telefónica. Prado pediu que "todas as persoas que o precisen e o demanden" teñan garantida a atención presencial e demandou garantir unha atención telefónica sen demoras, mediante o aumento e mellora da rede e a dotación do número de profesionais precisos para responder ao aumento exponencial da demanda. Aliás, pediu incrementar o orzamento da Primaria até chegar a 25% na presente lexislatura e destinar 200 millóns de inmediato ao seu financiamento. Tamén avogou pola incorporación á carteira de servizos de "categorías imprescindíbeis" para prestar unha atención integral e descolapsar as listas de agarda, como profesionais da psicoloxía, farmacia clínica, terapia ocupacional, logopedia, traballo social ou podoloxía. "Non substitúen baixas laborais, vacacións nin permisos nin xubilacións (...) e seguen sen mellorar as condicións laborais nin as retribucións", reprobou. Pola súa banda, o deputado Julio Torrado (PSdeG) recoñeceu que os problemas sanitarios son complexos, pero mostrouse convencido de que se a Xunta puxese "a metade de esforzo que dedica a buscar escusas para tratar de solucionalos", poderíase "avanzar". O socialista suxeriu que o PP non quere "apostar" polo sistema público. "A nosa proposta é pactar solucións estratéxicas con diñeiro e prazos", recalcou. Finalmente, Encarna Amigo (PP) gabou as medidas da Xunta e pediu ás forzas políticas "deixar traballar aos profesionais, que ninguén máis que eles desexan que estas medidas sigan avanzando para lograr a Atención Primaria do século XXI". Recoñeceu a falta de profesionais mais centrou a solución en solicitar ao Estado máis prazas MIR, sen facer mención á demanda da oposición para ampliar a duración de contratos temporais no Sergas nin a incorporar novas categorías á carteira de servizos.
PRAZA_6569
CIG e STEG lembran que o Goberno galego está obrigado a devolver estes cartos en base a varias sentenzas xudiciais e sinalan que "os empregados públicos galegos non queremos esmolas"
O pasado xoves, ao tempo que se confirmaba que o salario dos e das traballadoras públicas galegas seguirá conxelado en 2015, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo anunciaba a devolución, en dous anos, do 25% da paga extra que fora suprimidada en 2012. Porén, o que o Goberno galego quería presentar como unha nova favorable para os intereses de traballadores e traballadoras, foi recibido con fortes críticas por parte dos sindicatos. A primeira crítica diríxese contra a negativa da Xunta a devolver de inmediato esta paga de xeito íntegro, como si sucederá noutras comunidades autónomas e na administración central do Estado. Ademais, lembra a CIG, Feijoo "intenta vender como un acto de boa fe, o que é unha obriga, tal e como ditan os tribunais ao respecto". O sindicato sinala neste senso que no caso dos empregados laborais "fóronse gañando todos os conflitos colectivos onde se obriga á Xunta a pagar a parte devengada desa extra" e que no que respecta aos funcionarios e funcionarias, "como non hai posibilidade de conflito colectivo a CIG presentou varios contenciosos que abranguen todos os ámbitos para logo pedir a extensión de sentenza a todos os funcionarios da Xunta". O STEG cre que con este anuncio a Xunta paga "o que se ían ver obrigados a pagar tras sentenza xudiciaria" e, ao tempo, "dan en vésperas de ano electoral a imaxe de que cumpren coas súas promesas" O STEG salienta igualmente que a Xustiza obrigaría á Xunta a pagar esta extra, dado que o decreto que anulou o pagamento entrou en vigor o día 15 de xullo de 2012 e "a Constitución garante o principio da irretroactividade das disposicións sancionadoras non favorábeis ou restritivas de dereitos individuais". O sindicato cre que con este anuncio a Xunta busca "matar dous paxaros dun tiro", pagando "o que, segundo todos os indicios, ían verse obrigados a pagar tras sentenza xudiciaria" e, ao tempo, "dan en vésperas de ano electoral a imaxe de que cumpren coas súas promesas". A CIG esíxelle á Xunta "que pague o que debe" pois "os empregados públicos galegos non queremos esmolas, queremos que nos devolvan o que nos roubaron, queremos que se nos pague o que nos corresponde polo noso traballo". O sindicato ofrécese a negociar o reintegro desta débeda, pero partindo dunha serie de condicionantes: recuperación das pagas extras recortadas de 2012, 2013 e 2014, recuperación do 5% dos últimos 5 anos, actualización das retribucións conforme ao IPC galego dos últimos 5 anos, e o pago no 2015 das pagas extras completas".
NOS_102
A ex conselleira de Vivenda e ex deputada do BNG reaparece na escena mediática e faino falando das eleccións xerais. Considera que se precisa "unha forza galega propia" e un grupo parlamentar propio no Congreso "polo que se vai debater" e salienta que o BNG é a única forza nacionalista galega.
Teresa Táboas, ex conselleira de Vivenda e ex parlamentar do BNG, avoga nunha candidatura galega, "imos ter unha forza propia e cando digo propia é propia, non apropiada, no Parlamento español?", apunta nunha entrevista concedida a La Región, "precísase unha forza galega propia polos tempos e polo que se vai debater. E cando digo propia é propia", insiste. Así, Táboas advirte da importancia da forza galega propia nun "novo momento histórico que se abrirá a partir das xerais ante este pulso do pobo catalán". Neste sentido, afirma que "é o momento despois da ditadura onde nos xogamos máis en Madrid, sen lugar a dúbidas". "Que imos facer os galegos? Onde imos estar?", pregúntase a arquitecta, que confesa que a súa "gran preocupación" é Galiza. Tamén alerta da perda da "estrutura", dos "alicerces do que é un país", e pon como exemplo as caixas, "xa non temos instrumentos financeiros propios", ao contrario que vascos e cataláns. Teresa Táboas: "O BNG é a forza nacionalista galega que existe" A ex conselleira de Vivenda salienta na entrevista que o BNG "é a forza nacionalista galega que existe". "Dicir que o BNG está en risco de desaparición é como dicir que o está o nacionalismo galego e iso sería perigoso e preocupante. Non creo que iso sexa así, en absoluto", respóndelle ao xornalista, que tamén lle pregunta se debe ser Beiras quen "tire do carro". "O que ten que tirar do carro é o país e a sociedade galega para ter un grupo propio cando se debatan os temas complexos e profundos do modelo territorial", salienta. A ex deputada do Bloque considera que "temos que posicionarnos, como fixo Castelao no seu momento, para defender o noso". "E non o digo desde un nacionalismo etnocentrista, senón estando na escala planetaria pero partindo da nosa realidade. Ninguén vai defender as cuestións nosas en Madrid se non estamos alí", conclúe.
NOS_11985
Villares defende desde Padrón impulsar o comercio local e de proximidade e unha nova lei de contratos do sector público.
En Marea comprométese a defender no Congreso un conxunto de medidas encamiñadas a favorecer o comercio de proximidade, entre as que salienta a proposta dunha moratoria de dez anos á implantación de grandes superficies comerciais. O portavoz de En Marea, Luís Villares, sinalou desde a feira de Padrón a importancia de activar políticas que favorezan o comercio de proximidade e os produtos locais e ecolóxicos. Puxo en valor os modelos de produción xustos, xa que segundo afirmou "favorecen o desenvolvemento das economías locais e permiten coñecer quen é o que produce e a calidade dos produtos". "Apostamos pola promoción e protección do comercio de proximidade, do comercio local, ecolóxico e do comercio xusto", sinalou Villares En declaración aos medios, o voceiro de En Marea salientou que desde a formación política apostan "pola promoción e protección do comercio de proximidade, do comercio local, ecolóxico e do comercio xusto", motivo polo que queren propor unha reforma da lei de contratos do sector público que outorgue preferencia aos produtos locais, de proximidade e producidos de xeito xusto e ecolóxico, así como unha reforma da lei de estabelecementos comerciais "que remate cos horarios desregulados das grandes superficies cos que o pequeno comercio non pode competir".
PRAZA_14579
A autoridade electoral veta o coloquio previsto en Lugo entre Novas Xeracións, Xuventudes Socialistas e Galiza Nova por non considerar "adecuado" o lugar no que se ía celebrar
Unha das dificultades máis habituais á hora de organizar un debate electoral é o desacordo entre os participantes no mesmo. En Galicia, por exemplo, para chegar á celebración dos encontros televisivos entre Alberto Núñez Feijóo, Pachi Vázquez e Francisco Jorquera foron necesarias complexas negociacións e renuncias por parte das formacións políticas, así como a aceptación de condicións como que as contendas só tivesen o formato de cara a cara. Estes obstáculos non existían no debate que ían celebrar este martes en Lugo representantes das organizacións de mocidade das tres forzas que actualmente teñen representación parlamentaria, PP, PSdeG e BNG. Pero a Xunta Electoral non o permitiu. Ás autoridades electorais non lles pareceu "adecuado" o lugar elixido para o debate Novas Xeracións, Xuventudes Socialistas e Galiza Nova acordaran intercambiar opinións publicamente sobre os comicios do vindeiro 21 de outubro e, con este obxectivo, solicitaran un local pertencente á delegación provincial da Consellería de Sanidade, que lles foi facilitado sen problemas. Todo estaba organizado ata que, segundo detallan as mocidades do PSdeG, "apenas catro horas antes de antelación nos foi comunicada a prohibición". As autoridades electorais "consideran" que o debate "non se realizaba nun lugar adecuado", explican as XSG, porque "ao ser o local da Xunta, non se pode debater alí". En conversa con este diario a secretaria xeral das Xuventudes Socialistas lucenses, Leticia Seara, amosa a súa contrariedade e sorpresa por unha decisión, que, explica, non ten precedentes, máis aínda tendo en conta que populares, socialistas e nacionalistas "se puxeran de acordo" para celebrar o debate e que a propia Xunta Electoral "nos dixo ás nove desta mañá que se podería celebrar sen ningún tipo de problema". Unha vez asumido o contratempo as organizacións de mocidade amósanse "dispostas a manter un debate entre as distintas formacións xuvenís noutro emprazamento ou mesmo nun medio de comunicación". Agardan que, desta volta, a Xunta Electoral non teña inconveniente, xa que "non sabemos se habería algunha denuncia" ou se, simplemente "o pensaron mellor e non nos deixaron".
NOS_27554
A Confederación Estatal de Sindictos Médicos pide a súa dimisión mentres que desde a plataforma en defensa da sanidade pública instan a Telmo Martín a mellorar as condicións do persoal de atención no PAC de Baltar.
A delegación da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos na Galiza (CESM) pide a dimisión do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, por "acusar os sanitarios de facer política e desatender o seu traballo" no pleno municipal da pasada segunda feira. Nun comunicado de prensa, CESM critica que o rexedor acusase "os sanitarios do Punto de Atención Continuada (PAC) e do Centro de Saúde de Sanxenxo-Baltar de facer política e desatender o seu traballo profesional". "O rexedor chegou a dicir que o PAC de Baltar funciona ben, pero podería funcionar mellor se algúns dos profesionais que hai alí dedicásense máis ao seu labor como médicos e como enfermeiros que a facer política", censurou o sindicado médico. "Por se non fose suficiente con esas declaracións engadiu que 'estou en contra dalgúns que están a facer as cousas moi mal porque lles dá a gana, e non merecen o traballo que teñen'", lamentou. A xente moza, sinalada Desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo, tamén se pronuncian en contra das manifestacións do alcalde do Partido Popular "que en vez de recoñecer erros, correxilos e buscar solucións, nega e culpabiliza aos demais. Cando non é aos sanitarios, é ás persoas de a pé". Neste sentido, o colectivo que representa a "todas as persoas que sufrimos o desmantelamento deste servizo público e universal: traballadores e traballadoras do eido sanitario e persoas usuarias", defenden que "antes de culpabilizar á xente nova chamándolles irresponsábeis", o alcalde "debera afondar nas causas polas que algunhas persoas das citadas e autocitadas non acoden ás probas". A plataforma sanitaria apunta a época do ano, o lugar escollido, os compromisos laborais, as esperas e mesmo a falta de sitio para aparcar como algúns dos motivos que poden axudar a explicar esas ausencias. "Coidamos que, a única persoa que sobrou no cribado de Nauta foi o alcalde, que nin pertencía ao dispositivo de cribado nin ía a que lle fixeran a proba. Todas as demais estaban onde lles correspondía: ben desempeñando o seu traballo ben sendo sometidas ás probas de antíxenos". Falta de persoal A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo asegura nun comunicado que "a falta de persoal e outros medios e decisións tales como contratar persoal para facer tests de pago nas zonas de movida e non para a Atención Primaria son decisións políticas; e o persoal sanitario e as usuarias deste servizo sufrímolas". Así, critican que o alcalde Telmo Martín poña por diante da saúde das persas e do control da Covid o seu "rédito político", máis cando se está tratando "cunha enfermidade pandémica que non entende de negocios nin ten horarios nin distingue entre casinos e restaurantes; entre verbenas e espectáculos musicais; nin fai distinción entre concellos". Sen reforzos O PAC de Baltar segue sen reforzos, denuncia, e nesta quinta vaga a carga asistencial está sendo moi dura para a Atención Primaria, polo que chama a defender a sanidade pública de calidade, "goberne quen goberne".
NOS_15239
O feminismo gañou o pulso ao Partido Popular. A retirada do anteproxecto de reforma da lei do aborto e a demisión de Gallardón mostran que a constancia na loita social pode facer quebrar un goberno.
"Unha vitoria do movemento feminista". Esa é a valoración que desde a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto coinciden en oferecer a respeito da retirada do anteproxecto de lei para os dereitos do concibido e da muller grávida. Unha decisión anunciada por Mariano Rajoy á que se veu sumar, horas despois, a demisión do ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón. Da man de Margarida Corral e Rocío Fraga, integrantes da PGDA da Coruña valoramos a retirada do anteproxecto de lei de reforma, o papel xogado polo movemento feminista nesta decisión e o futuro da propia Plataforma. Ambas as dúas activistas concordan en apuntar o xurdimento deste colectivo como "histórico" e defenden a súa continuidade na defensa dos dereitos das mulleres, "non só do dereito ao aborto". Podes ler a reportaxe completa no número 115 de Sermos Galiza. Xa á venda na nosa loxa e nos quiosques do país.
PRAZA_8737
Cando a santísima trindade do ego das xentes de esquerda se vaia diluíndo progresivamente coma unha aspirina nun vasiño de auga, quizais comecemos a experimentar o gozo de aprender, construír e crear xuntos
O super-activista chega tarde á conferencia. Leva consigo un feixe de papeis desordenados e unha axenda tanto ou máis intensa que a dun ministro de exteriores. Pálpase unha especie de ansiedade permanente nos seus xestos e falares, mesmo un aquel de procura de algo trascendente que adoita sacarse da chisteira unha retórica escatolóxica e mesiánica para emocionar ao persoal. O super-activista non ten horizontes, razóns ou proxectos definidos, mais ten unhas gañas de marcha considerables, polo que adoita meterse en todos os saraos anti-sistémicos que pode, seguro coma está de estar en contacto cunha forma superior de cultura O super-activista non ten horizontes, razóns ou proxectos definidos, mais ten unhas gañas de marcha considerables, polo que adoita meterse en todos os saraos anti-sistémicos que pode, seguro coma está de estar en contacto cunha forma superior de cultura. O super-activista non gusta do cinema, pois réstalle tempo para poder exercer o seu dereito á ubicuidade en tódolos saraos. Non gusta de ler – nin escribir – novela ou poesía, pois precisa de tempo, mimo, reflexión e experiencias vitais acumuladas, e el é un calvinista invertido: o seu tempo é ouro, si, mais para exhibirse na seguinte manifa ou promocionar os seus libros e os dos seus colegas. Por suposto, a revolución é, para el, tanto unha retórica oportunidade para promocionar o seu ego literario coma un orgasmo matutino de matrimonio que chinga como dios manda: con presas, sen amor e por obriga. Super-activistas, o que se di super-activistas, hai un feixe deles en Galicia. Cada día máis. Son ese tipo de persoas que non paran de moverse na procura de cambios pra logo acabar no mesmo sitio no que comezaron e da mesma situación da que partiron O super-activista é un home de acción, non precisa reflexión social nin filosófica. Tampouco táctica nin estratexia. O tipo só di que o movimento se demostra andando, sen máis, e vai polo mundo coma un polo sen cabeza, chiando unha histriónica melodía que non ten nin pes nin cabeza: mesmo amantes do punk, do dodecafonismo e do free-jazz enarcan as cellas para tratar de entender o delirio cacharreiro que emana das súas verbas. Super-activistas, o que se di super-activistas, hai un feixe deles en Galicia. Cada día máis. Son ese tipo de persoas que non paran de moverse na procura de cambios pra logo acabar no mesmo sitio no que comezaron e da mesma situación da que partiron. Porén, conservadores a secas, non vexo moitos en Galicia, non: son eses estraños seres que reflexionan sobre qué facer para que os cambios da revolución neoliberal permanente non acaben estragando as poucas cousas boas e sólidas que quedan por conservar neste paisiño. O super-activista é dificilmente soportable, mais cando é, ademais, un super-galego, a cousa é xa para porse a tremer. E se, aínda por riba, é un super-roxo, apaga e vámonos: é coma intentar parar a un leopardo posto de anfetaminas. Imposible. Porque o super-activista, xa se sabe, non pode parar, non pode estar quieto, é coma o frenesí do tambor dunha lavadora: non toma aire nin para facer o centrifugado; porque, por suposto, o super-activista non perde o tempo con tonterías, non. O tipo non investiga, nao, nao: sentencia. Non ten espírito de procura intelectual, nao, nao: simplemente opina. Non organiza, nao, nao: mobiliza. Non constrúe, nao, nao: só critica. Non le, nao, nao: só memoriza. Non quere coordinar, nao, nao: só quere protagonizar, e coma bo super-activista, super-galego e super-roxo que é, ten a santísima trindade do ego desmesuradamente inflada. Tanto que só un exército de 30.000 monxes budistas armados no cumio do monte do gozo serían capaces de disolverlla para que cale a boca dunha santa vez e se poña a escoitar e mirar o mundo dende a dor e a perspectiva dos outros. Cando a santísima trindade do ego das xentes de esquerda se vaia diluíndo progresivamente coma unha aspirina nun vasiño de auga, quizais comecemos a experimentar o gozo de aprender, construír e crear xuntos Ese día, cando iso aconteza. Cando a santísima trindade do ego das xentes de esquerda se vaia diluíndo progresivamente coma unha aspirina nun vasiño de auga, quizais comecemos a experimentar o gozo de aprender, construír e crear xuntos. Mais dubido que esta caste de milagres interesen algo a Jorge Mario Bergoglio.
NOS_24493
Asinantes do manifesto 'Somos Maioría', que vai cara ás 400 sinaturas de apoio, falan de promover o "encontro" e a "reflexión" nos diferentes concellos para impulsar "desde abaixo" candidaturas para o cambio.
Miguel Pernas e Mar Catarina Sereantes compareceron esta terza feira en Compostela para presentar 'Somos Maioría', o manifesto que vai camiño das 400 sinaturas e no que se avoga por 'candidaturas de unidade' nas municipais para iniciar "os cambios que Galiza precisa con urxencia". Pernas e Catarina aclararon que non son "unha organización política", mais si un grupo de persoas que queren promover unha "reflexión" social que calle en alternativas para poñer fin á actual situación de recortes de dereitos, empobrecemento social e "dexeneración democrática". "Poñer fin á indefensión da maioría social" é un dos alicerces da chamada do manifesto, sinalou Mar Catarina, que entende que os concellos poden ser "espazos de transformación" e que a xente debe ser a "protagonista" da democracia. "Somos maioría as persoas que queremos cambiar as cousas". Por iso apuntan a promover o diálogo e a auto-organización da sociedade, con asembleas cidadás nos diferentes concellos. Puntos de "encontro"e "confluencia" nos que as persoas, a partir das "problemáticas particulares", sexan quen de "canalizar os esforzos" cara candidaturas de "unidade popular". Miguel Pernas falou da nacesidade de "dar unha resposta" ante a situación de "dexeneración democrática", apostando nunha "rexeneración desde unha forma diferente de facer as cousas".
NOS_21353
O prazo para inscribirse nas oposicións docentes ábrese o 1 de xuño.
A Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional trasladou esta sexta feira que a súa asesoría xurídica resolveu que non está dentro da legalidade acumular as prazas da Oferta de Emprego Público (OPE) 2020 coas da oferta para o 2021, como demandaban todos os sindicatos. Así, Educación abrirá esta segunda feira, día 1 de xuño, a inscrición para o proceso de oposicións docentes, como xa tiña previsto a pesar das críticas formuladas polos sindicatos na reunión da Mesa Sectoral da pasada semana. Desde a Xunta inciden en que o seu obxectivo é "blindar" o proceso que tivo que ser aprazado por mor da crise do coronavirus. "O motivo é que á eventual oferta do ano 2021 non se lle aplicaría o réxime especial e transitorio previsto na disposición transitoria terceira do Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, que si resulta de aplicación á oferta de emprego do ano 2020. É dicir, a oferta de emprego do ano 2020 e a oferta de emprego do ano 2021 réxense por normativa diferente", alegan desde a Xunta. A argumentación xurídica, abundan desde a Consellaría, baséase en que a Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018 (cuxas prórrogas fan que sexa a que siga vixente a día de hoxe) ampara unicamente as ofertas de estabilización de emprego temporal aprobadas e publicadas até 2020; mentres que as ofertas de emprego público de 2021 deberán ampararse nunha nova Lei de orzamentos xerais do Estado. A asesoría xurídica sinala que coa normativa en vigor "non é posíbel acumular a oferta pública de emprego para o aceso aos corpos docentes regulados na lei orgánica 2/2006", xa que se precisa "dunha lei de orzamentos do Estado para aprobar as ofertas de emprego público de estabilización de emprego temporal do 2021 en adiante".
NOS_26671
Dezaoito grupos versionan temas da veterana banda de Cerceda en "Vai polos padriños". O propio grupo descubriu a sorpresa no programa "Planeta Furancho" da Radio Galega.
Coa lingua galega e o rock por bandeira, os Zënzar cumpren o 25º aniversario con sorpresa en formato de traballo discográfico tributo. A histórica formación de Cerceda, debutou co nome de Mördor en 1988, sempre apostou pola lingua galega como un principio básico irrenunciábel. Partillou innumerábeis directos e gravacións coas amizades. Delas xurdiu a idea de lembrar tantos bos momentos e o respecto pola veteranía. Foi no concerto que os de Cerceda fixeron na Sala Josper para presentar o seu último traballo discográfico. Mentras tocaban entre o público moit@s colegas e alguén dixo "hai que facerlles un disco tributo". O proxecto colleu forza ao poñerse en contacto uns grupos con outros até pasar das 20 bandas. "Foi o boca a orella, ao final quedaron 18 grupos por cuestións de axenda e traballo e aínda outros quixeron engadirse logo", afirma Vituco, dos Ruxe-Ruxe e director do programa "Planeta Furancho" da Radio Galega. Foi neste programa onde se presentou este traballo discográfico coa sorpresa dos propios membros de Zënzar que non sabían nada. "Enteráronse alí mesmo, non deixa de ser un grupo de amigos que lle canta a outros amigos". Mario, ex-Túzaros e agora en Invivo, pensa que este é "un dos mellores discos de rock dos últimos anos". Os grupos achegaron cada un unha peza nas datas "e de xeito moi profesional" e "co seu estilo propio". Este traballo discográfico presentarase na Sala Capitol de Compostela o vindeiro 8 de marzo nun concerto no que actuarán os propios Zënzar, Invivo e Machina. Dezaoito grupos Neste traballo tributo dezaoito grupos do país versionan temas de toda a discografía dos Zënzar. Participan Machina ("Cochos"), Desequilibrio Mental ("Chove"), Nao ("A fin do mundo"), Balbordo Público ("Sigue... e dalle"), O Son do galpóm ("O informal"), K-Raxe ("Bourando"), Pito de PiKasso ("Doutor"), Compañía do ruído ("Cheira mal"), Chícharo Psicótico ("Cousa branca"), MeDoMedÁ ("Dalle"), Raiba ("E ti que pensas"), O Jallo Light ("Matar por matar"), Os Tres Trebóns e os Homes sen Medo ("Tiven un bar"), Dios Ke Te Crew ("A tribo"), Invivo, Secho e os Invisibles ("Chegando a casa"), Ruxe-Ruxe (Ratos no hórreo") e Mr. Kamándula ("Nacín libre"). No libreto do CD os grupo din que este traballo non é un agradecemento senón un "un toque de atención para que non se despisten e dentro doutros 25 anos podamos sacar o segundo volume. Que así sexa amigos!". Esta homenaxe musical presentarase no concerto que os Zënzar realizará en datas vindeiras. Após poderase escoitar a través da rede.
PRAZA_10297
Os prezos subiron un 6% nas tres urbes do Eixo Atlántico e un 12% na cidade das Burgas. O crecemento foi aínda maior no custo dos inmobles novos, en paralelo cun encarecemento dos alugueiros en todas as zonas urbanas
A burbulla da vivenda volve medrar. Nos últimos anos tense elevado notablemente o prezo dos alugueiros, sobre todo nas cidades, e os últimos datos amosan que tamén se está a encarecer a compra dos inmobles. Os prezos seguen moi lonxe, iso si, dos niveis acadados nos anos anteriores á crise económica -provocada en boa medida polo estourido da burbulla inmobiliaria-, pero os prezos medios levan catro anos en ascenso ininterropido, cunha particular aceleración dos últimos doce meses.En cidades como A Coruña, Compostela ou Vigo o prezo do metro cadrado de vivenda libre elevouse un 6% no último ano, e o incremento foi aínda maior en Ourense (+13%)En cidades como A Coruña, Compostela ou Vigo o prezo do metro cadrado de vivenda libre elevouse un 6% no último ano, e o incremento foi aínda maior en Ourense (+13%) ou Culleredo (+11%). Ribeira, Oleiros ou Marín roldaron igualmente ese aumento do 6%. Pontevedra tivo un incremento máis cativo (+2%) e Lugo e Ferrol mesmo experimentaron descensos nos prezos no último ano, segundo os datos publicados trimestralmente polo Ministerio de Fomento.Os prezos chegaran a acadar un nivel máximo entre os anos 2007 e 2008, con valores que superaron os dous mil euros o metro cadrado de media na Coruña, Vigo, Oleiros e Compostela, e os 1.500 en Pontevedra, Ribeira, Marín ou Culleredo, situándose preto desa cantidade en Ourense, Lugo, Ferrol, Redondela, Arteixo e Vilagarcía. A burbulla estourou e os prezos caeron rapidamente, nalgúns lugares case ata a metade do que chegaran a ser.Entre o 2014 e o 2017 os prezos da vivenda mantivéronse neses niveis mínimos, con moi pequenas variacións. Porén, nos dous últimos anos estes valores están medrando de forma constante e en cidades como Vigo ou A Coruña suman xa tres anos consecutivos de subas.A vivenda nova encareceuse un 16,5% en Vigo e un 8,5% na Coruña no último anoOs ascensos son maiores aínda se só analizamos os prezos da vivenda nova. O Observatorio de Fomento só ofrece informacións para as cidades de maior tamaño, aquelas que suman un número mínimo de inmobles taxados cada ano. En Galicia, A Coruña e Vigo. Nas dúas principais urbes de Galicia a vivenda nova encareceuse un 8,5% (na cidade herculina) e un 16,5% (na cidade olívica), rachando unha serie de anos nos que os prezose se mantiveran relativamente estables.
PRAZA_18250
Compostela, Vigo, Pontevedra, Rianxo e Ourense acollerán a vindeira semana as presentacións de cinco obras galegas publicadas en inglés por esta editorial británica. Entre elas esta o Sempre en Galiza de Castelao (Forever in Galicia), realizada por Craig Patterson, con quen falamos
A editorial británica Francis Boutle Publishers leva anos traducindo obras galegas ao inglés, ao igual que fai con outras linguas europeas, coma o bretón, o occitano, o catalán ou o córnico, e publicando en inglés ensaios e investigacións sobre Galicia e a súa cultura. A vindeira semana o seu director -Clive Boutle- realizará unha serie de presentacións en Galicia (Compostela, Vigo, Pontevedra, Rianxo e Ourense) para dar conta deste traballo. Nos actos estará acompañado por algúns e algunhas das autoras e autores e das tradutoras e tradutores. Destaca especialmente o acto de Rianxo, que inclúe unha visita á casa-museo de Castelao e unha lectura a cargo do alumnado do IES Felix Muriel. Compostela, Vigo, Pontevedra, Rianxo e Ourense acollerán a vindeira semana as presentacións de cinco obras galegas publicadas en inglés por esta editorial británica Na produción de Francis Boutle atopamos, de forma moi destacada, a única tradución ao inglés do Sempre en Galiza de Castelao (Forever in Galicia), realizada por Craig Patterson, con quen falamos hai dous anos. "Se hai algún texto galego que debería ser coñecido a nivel internacional, ten que ser este", destacaba daquela Patterson, que lembraba que o complexo proxecto (dada a extensión da obra) levouse a cabo sen axudas do Goberno galego. "Optamos á mantenta por non buscar ou aceptar calquera subvención por parte dunha Xunta de Galicia que, dende 2009, fixo o maior dano á lingua galega dende a morte de Franco", sinalaba. Patterson será unha das persoas que acompañen a Clive Boutle nas presentacións que se realizarán a partir do luns. "Clive está xogando un papel moi importante, que merece un recoñecemento", subliña Patterson, que engade que "está facendo un traballo de tradución e de difusión da cultura galega que debería estar facendo a Xunta dende hai anos". "Non é doado atopar un fogar para as traducións, dado o contexto que se dá na actualidade, pero el demostrou que é posible levar adiante a tradución dun texto da envergadura do Sempre en Galiza sen a axuda da Xunta e sen a promoción posterior do Goberno galego", conclúe. En total serán cinco as obras que se presenten: Forever in Galicia (Sempre en Galiza), de Castelao, traducido por Craig Patterson; Breoghan's Lighthouse: an anthology of Galican literature, editado por Antonio de Toro Santos; National Identities at the Crossroads: Literature, Stage and Visual Media in the Iberian Peninsula, editado por Xabier Payá and Laura Saez; Diary of Crosses Green (Diario de Crosses Green) de Martín Veiga, traducido por Keith Payne; The Power of the Smile: Humour in Spanish culture, de John Rutherford; e Home is Like a Different Time (A Veiga é como un tempo distinto), de Eva Moreda, traducido por Craig Patterson. Programación Luns 15 outubro (Santiago de Compostela). Presentación na Universidade de Santiago ás 12 horas. Presentación na librería Couceiro ás 20 horas. Martes 16 outubro (Vigo). Presentación na Universidade de Vigo ás 10 horas. Presentación na librería Librouro ás 20 horas. Mércores 17 outubro (Pontevedra). Presentación en colaboración coa Fundación Bóveda. Xoves 18 outubro (Rianxo). Ás 11 horas acto de presentación no IES Félix Muriel. Lectura de fragmentos de Forever in Galicia por parte do alumnado. Ás 12.30 paseo ata a Casa de Castelao. Ás 20:30 presentación de Forever in Galicia no Salón de Actos do Auditorio Municipal. Venres 19 outubro (Ourense). Presentación no Salón Noble do Liceo Ourensán.
NOS_38537
O simple rexistro da realidade é, ás veces, a toma de partido máis contundente. O cinema, que naceu gravando os obreiros á saída da fábrica, sábeo. Tamén o sabía Claudio Guerín Hill cando, en 1967, rodou por encargo da Televisión Española un documental sobre Compostela. O escándalo maiúsculo provocado pola súa emisión só remitiu cando a canle pública retrucou con outra obra, esta a cargo de José Luis Font.
"O filme de Guerín causou un enorme malestar, e obtivo unha resposta mancomunada das forzas vivas", relata Ezequiel Méndez (Compostela, 1941). Fundador do primeiro cineclube de Galiza na Compostela de inicios dos 60, axiña convertido en foco de axitación cultural e política, lembrou esta historia na sección Carta Branca do Festival Curtocircuíto, programada por el este 3 de outubro e na que se proxectaron as dúas fitas. A polémica foi formidábel. Méndez viuse no corazón da mesma. Tanto que nun pleno municipal o daquela alcalde chegouno a acusar de "pecado de lesa compostelanidade". O motivo? Defender publicamente a obra de Guerín Hill. Esta encadrábase dentro dunha serie televisiva Conozca usted España. O formato incluía un guión literario a cargo dun escritor do lugar —neste caso correspondeu a Filgueira Valverde— e un cineasta que o intepretaba con relativa liberdade. Así o fixo Claudio Guerín. "Realizou un documental inspirado na Escola Británica de Documental e con rastros de free cinema", fai memoria. Pola metraxe desfilaba a Compostela realmente existente en 1967. E iso foi o que amolou nas altas intancias. "Aparecían, por exemplo, as Marías, e iso non podía ser. Ou as vellas vendendo queixos e verduras. Ou os acólitos xogando fútbol sobre as tumbas dos cóengos", explica. O real máis ou menos espido era intolerábel para as clases dominantes compostelás. "Non era un documental tipo postal", sinala Méndez, "e iso amolou moitísimo". Non só. Perante a cámara de Guerín Hill —sevillano de nacemento que morrería ao caer desde a torre da igrexa de Noia nunha rodaxe en 1973— pasaban o propio Filgueira Valverde, o reitor da Universidade Ángel Echeverri, estudantes por todas partes ou o cardeal Quiroga Palacios. Pero non o alcalde, Francisco López Carballo. "Iso tampouco lle debeu facer graza", di. E comezou a ofensiva reaccionaria. Ofensiva reaccionaria As cartas sucedíanse nos xornais. Especialmente belixerantes se amosaron os asiduos de El Correo Gallego. Un lector chegou a esixir unha "queima pública" do documental. O coñecido franquista Luis Moure Mariño tamén tomou a pluma desde La Voz de Galicia. Ezequiel Méndez, que contaba 26 anos, arrepúxose e en La Noche defendeu a posición Guerín Hill. "Publicaron o meu texto, pero cunha nota en que expuñan que a dirección do xornal estaba en contra do filme", asegura. Aquela axitación das forzas vivas só rematou cando Televisión Española atendeu ao seu malestar e encargou a réplica. José Luis Font, "un home da casa", foi o escollido para ofrecer a versión postal de Compostela. Tirou de dous escritores adeptos ao Réxime, aínda máis adeptos que Filgueira, se cabe: Carlos Martínez Barbeito —un dos que arrasou coa biblioteca de Juan Ramón Jiménez no Madrid da Guerra Civil— e Eugenio Montes, "intelectual primorriverista". "Había que ter unha sensibilidade moi xacobea para se ofender co filme de Guerín", lembra con certa sorna Ezequiel Méndez. O filme de Font foi apagando a virulenta polémica. Méndez recuperouna para o Curtocircuíto que organizou a sesión dobre en colaboración co actual Cineclube de Compostela. "Agora vese doutro xeito. É o testemuño dun altercado teórico" con consecuencias sociais, conclúe, "e resulta curioso que o xulgue outro público compostelán 50 anos despois". Nota: fotograma do filme de José Luis Font sobre Santiago de Compostela cedida polo Festival Curtocircuíto.
NOS_12700
A CIG rexistrou un escrito diante da Consellaría de Medio Rural debido ás denuncias de "incumprimento" das condicións de traballo de brigadistas. Así, o sindicato reclama o cumprimento do convenio e que se garanta que equipos de traballo e protección individual estean completos.
Durante os últimos días, a CIG recibiu queixas "desde varios puntos do país" por parte dos traballadores do servizo de prevención de incendios forestais, informando de que lles "suxeriran" realizar xornadas laborais "máis alá das 12 horas tope que recolle o convenio". "Non podemos permitir facer xornadas maratonianas que supoñen unha mingua da seguridade. Esta parece ser unha carreira de fondo, e se o persoal se somete a unha sobrecarga increméntase o risco de sinistralidade", advirte a CIG nun comunicado enviado aos medios. A maioría dos concellos galegos non contan con brigadas municipais contra o lume por atrasos da Xunta O sindicato asegura que son "innumerábeis" as queixas por "avituallamentos inexistentes ou precarios nestas xornadas prolongadas e baixo as condicións extremas que se dan nos lumes durante a vaga de calor". Neste contexto, o sindicato anuncia que denunciará perante a autoridade laboral "todos aqueles casos que se poidan constatar", pois "non é responsabilidade das persoas traballadoras que a Consellaría do Medio Rural faga unha nefasta política de persoal e da cobertura das prazas". Bombeiros forestais critican a falta de medios: "A xente ten que saber quen é responsábel de que arda sen control medio país" Así, lembra que a Xunta debe "cubrir as vacacións, permisos e baixas de todo o persoal desde o primeiro día". "As brigadas non poden ser sos ou dúos por non cubrir as prazas baleiras. Ademais, advirte de que "non se pode disfrazar de excepcionalidade os lumes cronificados deste país para tentar forzar a traballar máis do que a súa seguridade permite" e exixe "previsión" para a realidade "da nova tipoloxía de incendios cada vez máis virulentos e que vimos anunciando na última década".
NOS_31606
Rock duro segundo o libro de estilo dos anos 70. Eis a síntese apurada de 20-20, o disco co que os John Deeres regresan aos escenarios. "Xiramos cara ao rock & roll, cara ás nosas referencias de sempre", explícase Reices, o teclista da banda da Estrada. Esta cuarta feira presentan o traballo en Compostela, canda Pito de Pikasso e Soul Maxín.
As "referencias de sempre" son, antes de máis, Deep Purple e Led Zeppelin. As sagradas escrituras do hard rock sérvenlle aos Deeres para apurar as estruturas das cancións, abrir o repertorio de temáticas -agora con certa inquedanza social-, e pensar no directo. "A diferenza do noso primeiro disco 8 (2013), este fixémolo todo coa mesma formación. Soa mellor, máis compacto", di. Guitarra, baixo, batería, órgano e voz organizan un material en que mesmo os primeiros Black Crowes deixan sentir o seu eco. "Pode ser, si, tamén porque compartimos as referencias clásicas", afirma Reices, "ao cabo, esas son as músicas que na banda nos gustan a todos". Das composicións estendidas, "máis escuras", artelladas en varias partes, do seu debut, á contundencia concreta de 20-20, cunha voz ao bordo do heavy igual que a de Ian Gillan en Deep Purple, os John Deeres ocupan unha zona da música en galego pouco poboada. "Mais non queremos cubrir oco ningún, é a música que nos gusta", engade. Non terán vontade de normalización e, con todo, a súa aposta é singular. "Non hai moitas bandas coma nós, é verdade", admite, "estaban os Avante, máis heavy metal, e agora hai uns rapaces da Costa da Morte, Almanimal. Pouco máis". Historicamente, os N.H.U., que facturaron en 1978 o seu único elepé. Hoxe é unha peza de culto do rock progresivo e, para Reices, pedra basilar. "Para ben e para mal, son os festivais os que condicionan a música que se fai en Galiza", expón, "e aí triunfa o baile e a mestizaxe. Céntranse sobre todo nesas propostas". Esta cuarta feira, na Sala Capitol de Compostela, haberá espazo para contradicir esa tese. Canda os John Deeres, tocarán Pito de Pikasso, rock punk melódico que tamén veñen de estrear disco, Algodón de sucre, e mais Soul Maxín, banda compostelá con apenas uns meses de vida dedicada ao soul e ao funk en galego.
NOS_4483
O alcalde pontevedrés participou nunha mesa redonda no cumio que está a decorrer en Madrid, onde explicou as chaves do coñecido como 'Modelo Pontevedra'.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou esta cuarta feira na mesa redonda "Experiencias inspiradoras: urbanismo e clima", enmarcada na Xornada da "Axenda Urbana e Cambio Climático" organizada polo Ministerio de Fomento no marco da Cimeira polo Clima COP25. Lores reivindicou a acción e as solucións políticas para actuar desde o local e insistiu na necesidade de que "cada un, dentro da súa responsabilidade política, ten que exercer as súas competencias, pero non hai excusas para non tomar decisións porque nós demostramos que é posíbel", e asegurou que a cidadanía valora a valentía política e puxo como exemplo os seus seis mandatos como alcalde. "Eu reivindico a política porque penso que non hai solucións sen solucións políticas", acrecentou o rexedor Na mesa redonda participaron representantes de catro cidades que teñen en común ter gañado o Premio Internacional de Dubai – ONU Habitat, como son Pontevedra, Málaga, Sevilla e Noaín -Navarra-, co obxecto de conectar o lema da COP25 'É tempo de actuar' con modelos que son resultado de ter actuado xa desde hai tempo.
NOS_28374
Pedro Sánchez avanzou que o Goberno español solicitará no Congreso das Deputadas unha nova prórroga de 15 días para o estado de alarma a partir do día 10 de maio. Porén, a desescalada comezará o 4 de maio en todo o Estado.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, vén de anunciar que o Estado logrou "dobregar a curva de contaxios" e que o Consello de Ministras aprobou esta terza feira un "plan para a transición cara a unha nova normalidade" co obxectivo de "recuperar a cotidianidade" para "acceder a unha nova normalidade" mentres non haxa unha vacina para a COVID-19. A desescalada, segundo explicou Sánchez, será "gradual" a medida que vaian diminuíndo os contaxios por coronavirus; "asimétrica", pois "cada territorio ten unhas circuntancias diferentes"; e "coordinada", porque van "traballar coas distintas Administracións". Así mesmo, Sánchez avanzou que o Goberno español solicitará no Congreso das Deputadas unha nova prórroga de 15 días para o estado de alarma a partir do día 10 de maio, cando remata o período actual "para abordar definitivamente a transición". Este plan é o "resultado dun traballo colaborativo e compartido entre distintas institucións xuntos ás representantes das empresarias, sindicatos e a sociedade civil en sentido amplo". O proceso de desescalada rematará a finais do mes de xuño A "unidade" para esta desescalada serán as "provincias ou illas" do Estado. Poderá haber "excepcións se o solicitan os Gobernos territoriais e o aproba o Goberno", segundo apuntou o presidente. O Ministerio de Sanidade coordinará a desescalada de todo o Estado. "O Goberno vai coordinar e os diferentes territorios van xestionar as medidas", abundou Sánchez. A vindeira fin de semana se poderá realizar actividade física ao aire libre e dar paseos coas persoas coas que se convive. O 4 de maio comezará a primeira fase da desescalada en todos os territorios do Estado, agás varias illas de Canarias e Baleares, que irán por diante no desconfinamento. Catro fases de desescalada Pedro Sánchez describiu que haberá "catro fases" nesta desescalada cara a unha "nova normalidade" após a crise do coronavirus. O vindeiro 4 de maio vaise iniciar a "fase cero ou de preparación" na que, ademais das medidas de alivio xa anunciadas, se permitirá a "apertura de locais e estabelecementos con cita previa para atención individual das clientes", como restaurantes con servizo de comida para poder levar a domicilio sen consumo no local. Así mesmo, van permitir a apertura de "adestramentos individuais de deportistas profesionais e federados e o adestramento básico de ligas profesionais". O pequeno comercio e as terrazas de locais de restauración abren a partir do 11 de maio O Goberno conta con que unha semana despois, o día 11 de maio, todos os territorios do Estado pasen á "fase un ou inicial". En función dos criterios permitirase o inicio parcial de certas actividades, a "apertura do pequeno comercio baixo condicións estritas de seguridade", excepto dos centros ou grandes parques comerciais "onde son máis probábeis as aglomeracións". En restauración, nesta fase un van abrir as "terrazas con limitacións de ocupación até o 30 por cento", e os hoteis e de aloxamentos turísticos "excluíndo zonas comúns e con determinadas restricións que se exporán nunha orde polo Ministerio de Sanidade". Ademais, o sector agroalimentario e pesqueiro recuperarán as actividades nas que mantiñan restricións. Os lugares de culto poderán abrir limitando o aforo a un terzo. E haberá un "horario preferente para as maiores de 65 anos, que son o colectivo máis vulnerábel á COVID-19". O agro e a pesca recuperan as actividades restrinxidas polo coronavirus O Executivo de Pedro Sánchez conta con que cada fase teña unha duración de "dúas semanas" e será o Ministerio de Sanidade o que decida que provincias progresan de fase na desescalada en función de "criterios obxectivos". "Na desescalada non imos avanzar todos á mesma velocidade, pero farémolo coas mesmas regras. Avanzaremos en cada lugar en función de como remitan os contaxios", salientou o presidente. Xa na "fase dúas ou intermedia" abrirá o "espazo interior" dos locais de restauración coa limitación de aforo a un terzo, garantías de separación e só para servizo de mesas. Aínda que o curso escolar comezará en setembro, nesta segunda fase recóllense excepcións con tres propósitos: "actividades de reforzo", "garantir que os menores de seis anos poidan acudir se ambos proxenitores teñen que traballar presencialmente" e "para celebrar as probas de acceso á univerisdade ABAU". O desconfinamento contempla a reapertura de cinemas e teatros Poderán volver abrir as salas de cinema, teatros, auditorios e espazos similares con butaca preasignada e a limitación de aforo dun terzo. Tamén poderán visitarse monumentos e equipamentos culturais como salas de exposicións ou salas de conferencias cun terzo do aforo habitual. Estarán permitidos os espectáculos culturais con menos de 50 persoas en lugares fechados cun terzo do aforo e ao aire libre serán posíbeis cando congreguen a menos de 400 persoas a condición de que sexa sentado. A "terceira fase ou avanzada" está prevista que sexa a última e chegará cando se cumpran os marcadores ditados por Sanidade. Flexibilizarase a mobilidade xeral, mais coa recomendación de uso de máscaras de protección fóra do fogar e dos transportes públicos. No eido comercial o aforo ficará limitado ao 50% e fixarase unha distancia mínima de dous metros. Na restauración "flexibilizaranse as condicións de aforo e de ocupación, aínda que con estritas condicións de separación entre o público". Criterios do desconfinamento "As restricións económicas e sociais rematarán cando chegue a nova normalidade, pero seguirán os controis desde un punto de vista sanitario", aseverou Pedro Sánchez, quen apuntou a finais do mes de xuño para o remate da desescalada. Os territorios pasarán de fase por criterios sanitarios e epidemiolóxicos "No mellor dos casos todo vai durar mínimo 6 semanas en cada territorio, e a duración máxima queremos que sexa de 8 semanas para todo o Estado. A finais de xuño estaríamos como país na nova normalidade", describiu. Os criterios segundo os que se avanzará nesas catro fases serán "públicos" e "de tipo sanitario e epidemiolóxico". Unha serie de "marcadores" que disporán en que lugar se atopa cada territorio para poder avanzar. Neses "criterios obxectivos" para o avance xogarán un papel "primordial" a atención primaria, a capacidade dos hospitais e das camas de UCI, a situación epidemiolóxica, a implantación de medidas de protección colectiva en calquera espacio público e a situación económica de cada territorio.
NOS_32216
Prometeu emprego, Estatuto, diálogo e incluso defender aos "usuarios de produtos financeiros"
Hai pouco máis de tres anos, un Alberto Núñez Feijóo que aínda estaba a asumir a súa inesperada vitoria nas urnas presentouse ante o Parlamento de Galiza nunha sesión de investidura cuxo discurso estivo cheo dos habituais lugares comúns pero que, a pesar de que entre liñas suxería un fondo programa ideolóxico dereitista, prometía diversas frontes de actuación que o paso do tempo demostraron como falsas. A continuación recóllese unha escolma de frases do presidente da Xunta na presentación do seu programa de goberno en sede institucional e analízase a súa cativa plasmación na realidade da Galiza presente. "Non vimos restaurar ningún pasado, nin a derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores". Malia evidentes diferencias, a Xunta de Feijóo recolle boa parte das políticas dun fraguismo do que a maioría dos actuais dirixentes formaron parte, a distintos niveis. Ademais, o derrubamento da obra que deixara o bipartito foi o principal cometido do seu goberno, constantemente instalado nun labor de oposición dende o poder. "Presentamos un programa de acción que supere os estériles antagonismos e disensións ideolóxicas". Como é marca da casa, o PP apúntase a ese "fin da historia" que se traduce como final das ideoloxías a favor dun tecnicismo que só busca ocultar a realidade das alternativas. Trátase da habitual retórica do neoliberalismo, evidente adscrición política desta Xunta. "Queremos avanzar cara unha sociedade na que a igualdade entre os homes e as mulleres sexa realidade". Á Xunta de Feijóo non se lle coñecen accións a prol da igualdade, de feito, xa dous días despois do discurso de investidura formou un equipo de goberno que non contemplaba a paridade de xénero. "Este goberno regulará os procedementos de contratación e selección de persoal". As irregularidades nas oposicións foi unha constante dos primeiros anos do regreso do PP a San Caetano e foi motivo de polémica en varias sesións parlamentarias. Agora xa case non se convocan. "Farei un goberno forte, austero, cohesionado en torno a un único liderado". Certo é que Feijóo exerceu liderado á fronte da Xunta, só que ao prezo de rodearse duns conselleiros de perfil moi baixo, que nin sequera foron reclamados por Rajoy cando chegou á Moncloa máis que para o segundo chanzo. O da austeridade converteuse nun arma de propaganda baseado en pequenos detalles (coches oficiais, soldos...) mentres se manteñen despilfarros como as enormes subvencións á prensa afín. "O goberno tamén será dialogante e para todos, non só para os que nos votaron". Agás nos días do Prestige, nunca foi tan protestado na rúa un goberno galego como o está a ser este de Feijóo. Os consensos parlamentarios acadados foron mínimos e de pouca relevancia. "Os galegos merecen un goberno que non os minta". Malia os apoios mediáticos, foron escasas as ocasións en que a Xunta do PP asumiu a súas responsabilidades na crise, optando sempre de xeito automático por botar balóns fóra, principalmente sobre o goberno anterior ou o central cando este era presidido por Zapatero. Esta mesma análise xornalística demostra que este goberno si mente. "O principal problema que ten Galicia é o incremento do desemprego. Faremos un Plan autonómico para a lexislatura, buscando facilitar a inserción laboral dos desempregados". Con Feijóo, que ten relevantes competencias nese terreo, o paro alcanzou en Galiza o seu teito histórico, cunhas 276.000 persoas afectadas, nun ritmo de destrución de postos de traballo que supera a media estatal. "Necesitamos unha importante mellora nos servizos públicos". Feijóo dende a Xunta, agora acompañado de Rajoy dende Madrid, están a abrir un inédito proceso de deterioro e privatización dos servizos públicos. "Cómpre dar unha importante resposta aos dependentes, que foron vítimas dunha lei da decepción. Temos 90.000 deles á espera das nosas respostas". Dependencia é un dos apartados que peor parados saen dos recortes do PP. Nese campo, camiñouse cara atrás. "Enfrontámonos a un reto, o da normalización lingüística, o de recuperar o consenso e trasladar ás aulas a cordialidade lingüística". Unha das poucas promesas que Feijóo si materializou foi a de derrogar o decreto da lingua para converterse no primeiro presidente da Xunta que rebaixaba a presenza do idioma propio no ensino. A suposta cordialidade só significou menos espazo para o galego e multitudinarias protestas. "Impulsaremos unha política de ordenación do territorio que contribúa a poñer en valor o noso medio ambiente". Talvez sexa na despreocupación pola riqueza ecolóxica de Galiza onde Feijóo é máis idéntico aos gobernos de Fraga. Ataques á Rede Natura ou permisividade co cemento na costa son só dous exemplos dunhas políticas criticadas decote pola oposición e diversos movementos. "Concentraremos nun Igape renovado a xestión e coordinación de todas as axudas vencelladas ao desenvolvemento empresarial de Galicia". O directo do Igape foi obrigado a dimitir logo de que o seu nome aparecese nun escándalo de axudas ilegais, dentro da Operación Campeón. "Este goberno pensa reforzar o compromiso das caixas galegas co país, en especial o desenvolvido a través da súa obra social en tempos de crise, pero tamén no que se refire ao seu tradicional compromiso cos proxectos empresariais galegos". As caixas galegas, a súa obra social, e o músculo financeiro do país desapareceu con Feijóo en Monte Pío. Tivo, e aínda ten, unha oportunidade dourada para crear unha banca pública, pero preferiu pregarse aos especuladores e os intereses privados. "Estaremos atentos na protección dos consumidores galegos de servizos financeiros, un campo no que os consumidores se atopan particularmente indefensos". Continúan as manifestacións e actos de protesta dos afectados pola estafa das opcións preferentes das caixas galegas, que afectan a máis de 90.000 persoas e ante o que Feijóo lava as mans e manda á policía. "Non seremos cómplices co Ministerio de Fomento de máis atrasos coas infraestruturas galegas". Feijóo asinou con José Blanco o chamado 'Acordo do Obradoiro', que, como anunciou daquela o BNG, quedou en papel mollado. A Alta Velocidade tardará moitos anos máis. "A loita contra os incendios forestais será unha das principais preocupacións, cunha política seria de prevención". Milleiros de hectáreas arden con Feijóo na Xunta, moitas delas dun valor ecolóxico único. Porén, o goberno do PP recortou uns 22 millóns de euros en prevención. "Queremos unha reforma da administración buscando o máximo consenso cos representantes dos traballadores públicos". Os funcionarios levan meses convocando masivas manifestacións contra os recortes e as novas normas impostas pola Xunta. "Esiximos que os galegos do exterior voten coas mesmas garantías democráticas que os que vivimos aquí". Tras un acordo estatal que parecía poñer fin ás habituais irregularidades no sufraxio dos emigrantes, PP e PSOE xa estudan volver atrás e recuperar os vellos métodos das sacas. "Presentaremos unha completa iniciativa de reforma do Estatuto de Autonomía". Coa escusa da crise, Feijóo xa anunciou que renunciaba a calquera mínimo avance nun cativo autogoberno que, no fondo, o PP xa considera excesivo. "Imos camiñar cara un corpo propio de policía autonómica". A policía galega segue sendo unha conta pendente pola que esta Xunta non amosou ningún interese. De feito, o PP impediu en Madrid o traspaso das competencias de Tráfico, que suporía un avance para a súa creación. "Apostaremos polo asociacionismo entre concellos, paso previo ás fusións". Alén de manobras propagandísticas, todo indica que Feijóo esgotará a lexislatura sen ningunha unión de concellos da que presumir ou coa que desviar a atención. "Reformaremos a CRTVG e converterémola en medios obxectivos e de calidade". Unha reforma que abre a porta á privatización e un ambiente de carraxe entre os traballadores definen a etapa deste goberno respecto a uns medios públicos cuxos servizos informativos son constantemente criticados pola súa tendencia gobernamental. "Traballaremos para reformar o Senado e convertelo en Cámara de representación territorial". Nunca máis se soubo. "Deus Fratesque Gallaecia". Do antigo berro irmandiño co que Feijóo trampeou o final do seu discurso só foi visíbel a súa vertente máis relixiosa. Adicta á axenda de conmemoracións católicas, a Xunta fracasou cunha cara visita do Papa que apenas congregou visitantes.
NOS_37434
A Xustiza exime a médica que a atendeu, pois lle administrou o tratamento "para a diagnose máis evidente", mentres o avogado da familia insiste en que a rapaza "non tivo unha atención axeitada" por parte do sistema sanitario público.
O Sergas indemnizará con 80.000 euros á familia dunha nena de catro anos, da zona do Baixo Miño, que faleceu debido a unha infección non diagnosticada a tempo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Segundo trasladou o equipo legal que representou á familia, encabezado polo avogado Cipriano Castreje, a cativa padecía leucemia en fase de remisión e fora intervida en abril de 2014. En novembro dese mesmo ano foi levada ao hospital ao presentar náuseas, vómitos, taquicardia e malestar xeral. O persoal que a atendeu tratouna con paracetamol e a administración de fluídos, mais a rapaza non mellorou. Xa de madrugada, a nena empeorou o seu estado e o persoal facultativo de garda decidiu manter unha "actitude expectante" á espera da súa evolución, ao considerar que non había ningún cambio a respecto da situación previa. Con todo, minutos despois a pequena entrou en parada cardiorrespiratoria e acabou falecendo. A familia presentou unha reclamación ao Sergas e lembrou que, ao seu ingreso no hospital, a nena foi sometida a unha analítica de sangue pero non a unha proba PCR para a detección de infeccións. De feito, o resultado do hemocultivo da cativa, coñecido posteriormente, foi positivo para a bacteria staphilococus aureus. A administración estimou parcialmente a reclamación, e estableceu unha indemnización de 50.000 euros para a familia, mais esta recorreu e agora a compensación aumentouse até os 80.000 euros, tras a estimación parcial do recurso por parte do xulgado do Contencioso Administrativo 1 de Compostela. Na sentenza, o xuíz sinala que a médica administrou á nena o tratamento para a "diagnose máis evidente", que era unha reacción á quimioterapia, polo que a súa decisión non pode considerarse mala praxe. "Perda de oportunidade" Porén, si admite que houbo unha "perda de oportunidade", porque non debeu descartarse unha infección xa que os síntomas tamén eran compatíbeis. "Para iso bastaba con prescribir unha PCR, que neste caso se fixo, pero tarde", sinala a resolución xudicial. Aliás, malia que a rapaza padecía leucemia e tiña afectado o seu sistema inmunitario, "tamén constan en autos informes que acreditan que, de terse diagnosticado antes a infección e ter podido fornecer o tratamento antibiótico pertinente, as posibilidades de que a nena puidese remontar non eran desdeñosas". Por iso, estabelece que a familia debe ser indemnizada cun total de 80.000 euros, dos que 50.000 xa foron recoñecidos polo Sergas. En todo caso, o avogado Cipriano Castreje confirmou que a familia apelará a sentenza e lembrou que o propio Sergas "recoñece" que a exploración reflectida nas notas clínicas "parece escasa" se se teñen en conta as "recomendacións das guías de Urxencias Pediátricas", e insiste en que a nena non tivo unha atención axeitada.
PRAZA_10116
O alto tribunal decreta que a Administración debe recoñecer como tempo traballado a efectos administrativos o período durante o cal a muller de baixa por maternidade e nas listas temporais foi chamada para ocupar un posto.
A xustiza dá outro golpe á política de contratación do Sergas. A sección primeira da sala do contencioso-administrativo do TSXG decretou que o Servizo Galego de Saúde debe recoñecer como tempo traballado a efectos administrativos o período de tempo durante o cal foi chamada para traballar unha muller de baixa por maternidade que estaba incluída nas listas temporais da categoría de ATS/ DUE. O TSXG decreta que o Sergas debe recoñecer como tempo traballado a efectos administrativos o período durante o cal a muller de baixa por maternidade e nas listas temporais foi chamada para traballarO alto tribunal galego advirte de que existiu "discriminación" á muller afectada e revogou unha sentenza ditada en novembro de 2018 por un xulgado do contencioso-administrativo da Coruña. Acolleu parcialmente o recurso interposto pola demandante contra a resolución ditada pola Xerencia de Xestión Integrada da Coruña en decembro de 2017 relacionada coa suspensión de chamamentos durante a súa baixa por maternidade."A situación de maternidade non pode asimilarse á falta de capacidade funcional necesaria para desempeñar as funcións propias dun posto de traballo, senón que é un período de descanso que se goza por tal situación", indica o TSXG na resolución, na que subliña que "a discriminación existe", pois destaca que "eliminada a situación de maternidade os servizos prestáronse e, polo tanto, deben recoñecerse como tales aínda que non se poidan prestar por atoparse a traballadora nunha situación que está protexida pola lei".A afectada recorrera a primeira sentenza ao advertir de que a Administración non lle recoñeceu o período temporal no que estivo de descanso por maternidade como tempo traballado a efectos administrativos, o que supoñía, ao seu parecer, "unha discriminación por razón de sexo" e, ao mesmo tempo, pola súa condición de persoal con vínculo eventual. Xa que logo, a pretensión da demandante, e antes na solicitude de nulidade da suspensión de chamamentos presentada en vía administrativa, consistía en que se lle recoñecese aquel período temporal (de decembro de 2016 a abril de 2017) como tempo de traballo a efectos administrativos, debendo figurar na súa folla de servizos. "A discriminación existe", di o TSXG, que aclara que "a situación de maternidade non pode asimilarse á falta de capacidade funcional necesaria" para un traballoSegundo o TSXG, o recoñecemento debe quedar limitado ao período de tempo para o que a traballadora é chamada das listas, é dicir, "o comprendido desde a data de chamamento, o día 27 de xaneiro de 2017, ata o día 3 de abril de 2017, en que se formalizou o contrato despois da baixa de maternidade". O período anterior, desde o 26 de decembro de 2016, día seguinte á finalización do contrato, ata o 27 de xaneiro de 2017, data na que se produciu o chamamento, "non se pode recoñecer para os efectos pretendidos, pois implicaría privilexiar a apelante en relación cos demais integrantes das listas de vinculacións temporais".Respecto do ditame final, o TSXG advirte de que a situación de maternidade "non pode asimilarse á falta de capacidade funcional necesaria para levar a cabo as funcións propias dun posto de traballo, senón que debe selo a un período de descanso que se goza por tal situación". "A discriminación existe", insiste o alto tribunal, que ordena que se lle recoñeza á demandate, "como tempo traballado a efectos administrativos, o período de tempo durante o cal estivo de baixa por maternidade que coincida á súa vez co period de tempo para o que foi chamada das listas de vinculacións temporais".
NOS_7205
A número 2 da lista de En Marea pola Coruña chama a "reinventar a democracia para que gobernemos os máis e non eses que gobernan contra nós".
En Marea celebrou esta pasada cuarta feira un mitin en Compostela onde reivindicaron a necesidade dun cambio no goberno do Estado. A número 2 da lista pola Coruña, Yolanda Díaz, mostrouse convencida de que a candidatura conseguirá representación no Congreso e avisou ao actual presidente da Xunta "Señor Feijóo, prepárese porque o domingo imos a Madrid pero o vindeiro ano imos a por vostede", dixo. Díaz manifestou que "temos unha democracia secuestrada polos poderes económicos" e chamou a "reinventala para que gobernemos os máis e non eses que non se presentan ás eleccións e gobernan contra nós". "En Marea chegará ao goberno do Estado porque o vindeiro domingo imos gañar", dixo Gómez-Reino Nese sentido, o cabeza de lista pola Coruña, Antón Gómez-Reino, reafirmou "o compromiso de En Marea con rescatar ás persoas" e considerou "preciso un cambio". Un cambio que, segundo afirmou Gómez-Reino, "chegará En Marea ao goberno do Estado porque o vindeiro domingo imos gañar". No mitin tamén participou o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, que valorou o proceso de conformación da candidatura "que día a día suma máis xente". Beiras destacou que "era necesario abrir fronteiras" e considerou que "o motor do cambio non estaba nas forzas políticas" senón "na cidadanía que se defendía a si mesma". Pola súa banda, o alcalde de Compostela, Martiño Noriega, reivindicou a experiencia das mareas nas municipais que demostraron que "entre todos e todas podemos mudar as cousas".
NOS_29793
Antonio Carrascosa é o director xeral do FROB. O FROB é hoxe o dono de Novagaliciabanco, un banco nacionalizado. Antes de desembarcar no sector público, Carrascosa traballou na empresa privada. Con quen? Con Luis de Guindos. Onde? En Pricewaterhouse Coopers, a auditora que avalou as preferentes. A mesma empresa que agora decidirá que vítimas do calote das preferentes se poderán acoller á arbitraxe e cales, non.
Antonio Carrascosa fixo parte desde 2008 até 2011 da equipa directiva de Pricewaterhouse Coopers, a auditora que avalou entre 2008 e 2011 a emisión de preferentes por parte de Caixa Galicia.En Pricewaterhouse Coopers traballou cabo de Luis de Guindos, que era o responsábel da área financeira. Agora, como director xeral do FROB, Carrascosa beneficia a súa antiga empresa, designada para determinar que vítimas da estafa das preferentes se poderían acoller á arbitraxe e cales, non.Toda a información sobre este asunto hala de atopar no número 35 de Sermos Galiza, xa nos vosos quiosques.
PRAZA_1172
Mentres impoñen de forma implacable esta lei tan cruel, as empresas, en complicidade cos gobernantes, dedícanse a facer negocio: os gobernos da dereita entregaron a mans privadas hospitais enteiros, decenas de servizos e actividades sanitarias, os sistemas de información, a investigación e o control da tecnoloxía.
En tempos de crise e quebranto económico, os criterios de bo goberno deberían levar aos nosos dirixentes a adoptar as medidas máis extremas para garantir unha atención sanitaria de calidade a toda a poboación -sobre todo, aos máis necesitados-, a través dos servizos públicos. Ademais de mellorar a recadación cunha fiscalidade progresiva, os servizos sanitarios deberían reorientarse cara ao maior protagonismo da Atención Primaria (AP) e a priorización das tarefas de promoción da saúde e prevención da enfermidade. O actual goberno, con total premeditación, fixo o contrario: deixou sen protección sanitaria a miles e miles de cidadáns, externalizou de forma apresurada numerosos servizos para beneficiar a empresas afíns e anulou o nivel de AP coa creación das Áreas de Xestión Integrada, que leva á desaparición das Xerencias de AP (suspende definitivamente a capacidade de xestión propia deste nivel, necesario para asumir o seu papel protagonista no sistema) co que, no canto de converterse no elemento central e axente de coordinación, pasa a converterse nun apéndice pobre do hospital. O funesto Real Decreto 16/2012 é a principal ferramenta utilizada polo goberno para este retorno ao pasado. Representa unha auténtica contrarreforma sanitaria que deixa sen cobertura a amplos colectivos da poboación e que castiga aos enfermos, aos pobres e aos dependentes con severos copagos, en moitos casos inasumibles para as economías familiares. A sanidade deixa de ser un dereito. Estannos expropiando dereitos consolidados: fan caso omiso do principio de "prohibición do retroceso social". Mentres impoñen de forma implacable esta lei tan cruel, as empresas, en complicidade cos gobernantes, dedícanse a facer negocio: os gobernos da dereita entregaron a mans privadas hospitais enteiros, decenas de servizos e actividades sanitarias, os sistemas de información, a investigación e o control da tecnoloxía. Todas estas actuacións foron realizadas co maior sixilo, lonxe da vixilancia dos cidadáns. O PP ocupou o poder para destruír, desde dentro como os térmites, o Estado de benestar. Danaron gravemente a sanidade, a educación e os servizos sociais, desmantelaron o incipiente desenvolvemento da lei de dependencia e laminaron os dereitos dos traballadores coa infame reforma laboral. Todo iso inducido pola súa ideoloxía clasista e o seu afán desmedido de favorecer ás empresas afíns para realizar negocios e negocietes a expensas dos orzamentos públicos. Todo indica que estamos ante unha facción organizada, que se dedica a saquear as arcas do Estado. E fixérono a conciencia: xa comezaron a desvalixar o Fondo de Reserva da Seguridade Social. Si non freamos esta sangría todos os cidadáns perderemos. Os que cheguemos á idade de xubilación, dentro duns anos, poderiamos estar no desamparo. Hai que impedir este saqueo infame, que enriquece obscenamente a uns poucos mentres degrada a vida da maioría da xente.
NOS_54856
Marcos Besada emitiu un comunicado onde renuncia a presentarse á alcaldía de Salceda, localidade que goberna desde 2007. Abandona a primeira liña política e non recollerá a acta de concelleiro após a súa formación, Movemento Salceda, perder a súa condición de forza máis votada, aínda que un posíbel pacto co PSdeG lle permitiría manter o bastón de mando.
O alcalde de Salceda, Marcos Besada, emitiu un comunicado onde anuncia que non se presentará á alcaldía e que renuncia a recoller a acta de edil. Abandona por tanto a primeira liña política após os resultados das eleccións do 26 de maio. A formación que liderou até hoxe, Movemento Salceda (enmarcada no espazo político da En Marea de Luís Villares), pasou de ser a máis votada en 2015 con 2.201 votos a quedar no segundo posto por detrás do PP con 1.481 apoios. Movemento Salceda perdeu dúas actas o pasado domingo mais Besada aínda tiña posibilidades de manterse na alcaldía catro anos máis pactando co PSdeG, xa que xuntos superan o Partido Popular. Abandona por tanto a primeira liña política após os resultados das eleccións do 26 de maio Besada considera no seu comunicado que os resultados do 26 de maio significaron un punto de inflexión e chama a un acordo entre as forzas da esquerda para "continuar xuntos, respectando as nosas lexítimas diferenzas, nun proxecto de cambio e transformación iniciado non 2007 e que non debe ter marcha atrás". Naquel ano Besada alcanzaba a alcaldía baixo as siglas do Bloque Nacionalista Galego que máis tarde abandonaría. Loli Castiñeira, número dúas da candidatura, asumirá "desde xa", indica Besada, a dirección e coordinación de Movemento Salceda. No comunicado tamén sinala que "os resultados electorais precipitaron o xa previsto: sempre foi ou meu desexo, e tamén unha reflexión colectiva, que unha muller debería ser por fin a que rexira democraticamente vos destinos e intereses colectivos da cidadanía de Salceda, algo que non aconteceu".
NOS_38593
As finais da Liga Nacional de Billarda disputáronse o pasado domingo no campo de fútbol Manuel Paz do Castiñeiriño, en Compostela. A Conferencia NorLeste impúxose en tres dos cinco podios en xogo.
Na categoría por equipos, o triunfo foi para Gharaboto, de Marín (Conferencia Rías Baixas), unha escadra que aloumiñou varias veces no pasado este título. Finalmente foi quen de se impor a Carabullo (Ponte de Outeiro) e Billardeiros Musicais (Ribadeo), segundo e terceiro, respectivamente. Na categoría de donas —participaron 4 da conferencia NorLeste, 2 da NorOeste e 12 de Rías Baixas— venceu a grande favorita, Geni (Billardeiros Musicais, de NorLeste—, quen deste xeito se alza por terceira vez co título de campioa nacional. Geni derrotou na final Adriana, do Valpaços Terra Quente). Canto á categoría masculina —15 palanadores de NorLeste, 9 de NorOeste e 24 de Rías Baixas—, o podio tamén foi para un integrante de Billardeiros Musicais, Daniel, após superar Lito e Salva, ambos de Corredoiras de Rías Baixas, segundo e terceiro, respectivamente.. En infantís, con dez nenos e seis nenas en liza, a vitoria sería para Abel Ponte, do Campo da Feira, con Óscar Caldas (Armadiña) e Miguel Cancelas (Campo da Feira) a completaren o podio na segunda e terceira praza. Finalmente, na categoría de Varados, con 20 finalistas (7 de NorLeste, 2 de NorOeste e 3 de Rías Baixas), a vitoria acabaría sorrindo a Charli (Carabullo), seguido por Sachas (Troitas Bravas) e Dani (Rinoceronte).
NOS_36781
Está a preparar a tese en Xenética Psiquiátrica pero tamén é colaboradora do programa de Xuvenciencia, "Homes, mulleres e STEM", no que xunto á xornalista Marta Veiga elaborou unha análise estatística vinculada ao Ensino Secundario, aos roles de xénero e á ciencia, con motivo do Día da Muller e da Nena na Ciencia 2020.
Fálenos do "Homes, mulleres e STEM" inicial? Non se idou para obter uns resultados e unha análise senón máis ben como unha actividade de concienciación sobre a fenda e os estereotipos de xénero na ciencia... Tratábase dun cuestionario en liña que tiña uns vídeos cos que se pretendía mover á reflexión... Como finalmente houbo moitas respostas ao cuestionario, case 700, e desde 31 institutos diferentes da Galiza, pensamos que era boa idea levar a cabo unha análise deses datos para poder extraer algunha conclusión e non deixar todo nunha simple actividade de concienciación. E cales foron as conclusións? Entre os datos obtidos centrámonos nos máis sorprendentes e nos que confirmaban o que xa se sabía. Por exemplo, unha das preguntas era a que ámbito da ciencia lles gustaría dedicarse, entre ciencias sociais, da saúde, experimentais, humanidades e enxeñarías. O que se viu claramente, que xa se apreciara noutros estudos, foi que os rapaces escollen moito máis as carreiras experimentais e as enxeñarías; e as rapazas elíxenas moi pouco e, sobre todo, queren dedicarse ás ciencias da saúde, sociais ou humanidades. Marta tirou unhas conclusións que indicaban que, por un lado, as rapazas cren que son menos válidas para as matemáticas e iso repercute en que non opten por esas carreiras; e, por outro lado, a escolla das ciencias da saúde está relacionada co rol de coidadoras. Que resultado lles chamou máis a atención? Preguntábaselles cales eran as súas expectativas a nivel profesional, e sorprendeunos a resposta feminina. Había unha serie de aspectos que tiñan que puntuar do un ao cinco; as rapazas puntuaban de forma máis positiva o prestixio, o liderado, contribuír á sociedade, a aprendizaxe constante... Mentres que os rapaces elixían a estabilidade laboral, o tempo para a familia... Cousas que de por si están atribuídas ás mulleres, sobre todo o tempo á familia. Pero como neste traballo non houbo cabida a preguntar polos motivos da escolla, non temos a seguridade de que as moveu a esa resposta. Podemos interpretar que as cousas están a cambiar ou que os rapaces escollen o tempo familiar como de descanso e que as rapazas optan por reivindicar que son mulleres capaces, que teñen ambicións... No proxecto tamén participou alumnado de diferentes cursos. Atoparon diferentes respostas segundo as idades? A actividade abranguía desde 3º da ESO até 2º de Bacharelato e tamén os graos medio e superior de FP. A participación por xéneros foi moi igualitaria e, nas respostas, en canto ás idades, non atopamos diferenzas significativas. Pero se lles preguntaba se querían ou non dedicarse á ciencia, na ESO tíñano moito menos claro que no Bacharelato. O que si nos sorprendeu é que hai máis rapazas que rapaces que saben desde moi cedo, xa na ESO, que queren dedicarse á ciencia. Cal cre que é a razón? A interpretación que facemos é que elas, por prexuízos de xénero, teñen menos permitido dubidar, teñen que amosarse máis seguras e, se cadra, incluso teñen maior madurez. No lado negativo, algo que se esperaba, é que cando se lles pregunta cales cren que son as súas capacidades, as rapazas valoran peor a súa habilidade matemática, algo que xa saíu á luz noutros estudos. Ese pensamento é unha das razóns de que non escollan carreiras relacionadas coas enxeñarías, as ciencias experimentais...
NOS_6057
O imposto sobre o patrimonio é un tributo pensado para gravar as grandes fortunas. Malia o carácter estatal do mesmo, a súa xestión corresponde a cada un dos Gobernos autonómicos, que son quen determinan a contía final. A fortuna media das galegas e galegos que o pagan é de 6 millóns.
A ofensiva do Partido Popular contra o imposto sobre o patrimonio situou este tributo no centro do debate político. A orixe desta figura impositiva está ligada á creación do Estado do benestar no continente europeo, sendo moitos os países que manteñen tipos fiscais semellantes. Neste sentido, contan con tributos análogos Francia, Italia, Países Baixos ou Noruega. Precisamente, o primeiro Executivo en derrogar este imposto foi o de Augusto Pinochet en Chile, exemplo de modelo económico para o neoliberalismo. A historia deste tributo é contraditoria no Estado español. A súa creación, moi tardía en relación co resto dos países da contorna, remóntase á reforma tributaria de 1977, que estabelece o Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), sendo derrogado, de facto, o 1 de xaneiro de 2008 polo Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero. Porén, o cambio na conxuntura económica e o comezo dun ciclo regresivo ligado á crise financeira e inmobiliaria obrigou o Executivo socialista a restaurar o tributo en 2011, prorrogándoo posteriormente o Gabinete popular de Mariano Raxoi. Precisamente, esta quinta feira o Goberno de coalición entre PSOE e Unidas Pomos anunciou a posta en marcha dun imposto temporal e especial para as grandes fortunas, na liña do pactado con Bruxelas. A quen afecta? O imposto sobre o patrimonio está considerado o tributo por excelencia para gravar a riqueza. Afecta ás persoas contribuíntes con bens por un valor superior a 700.000 euros, excluíndo a vivenda habitual até 300.000 euros, aínda que nalgúns territorios estas cifras mudan lixeiramente. Neste sentido, grava o patrimonio neto das persoas físicas, isto é, o conxunto de bens e dereitos de contido económico dos que o contribuínte é titular, con dedución das cargas e gravames que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais polas que deba responder. A xestión do tributo corresponde aos Gobernos autonómicos, agás nos territorios forais, tendo estes a capacidade de modificalo en maior ou menor medida para reducir a contía a pagar. Así, por exemplo, Madrid bonifícao na súa totalidade desde 2012, seguindo este ano a mesma senda Andalucía, tras adoptaren o Partido Popular e Vox un acordo nesa dirección. Na mesma orientación, a Xunta acaba de acordar bonificar este imposto até 50%, unha medida que favorece as 7.646 galegas e galegos máis ricos, que deixarán de ingresar nas arcas públicas do país 34 millóns. Ao tempo, outros 838 residentes na Galiza que cumpren cos requisitos para declarar patrimonio non están obrigados a pagar cota ao ser beneficiados das bonificacións aprobadas con anterioridade a 2022 polo Goberno galego. O suxeito pasivo do imposto sobre o patrimonio presenta diferencias en función dos diversos territorios. O patrimonio medio de 189.636 cidadáns do Estado obrigados a declarar este tributo sitúase en 3,51 millóns, acollendo Catalunya, con 80.150 contribuíntes, o maior número de persoas que cotizan por este concepto. Porén, os máis ricos que tributan no total estatal por este imposto residen en Madrid, sinalando a Axencia Tributaria que a súa fortuna media se sitúa en 10,3 millóns, case tres veces máis que no conxunto do Estado. Os segundos máis ricos A fortuna media de 7.646 galegos obrigados a tributar polo Imposto sobre o patrimonio é de seis millóns, practicamente o dobre da media estatal. As millonarias e millonarios galegos ocupan o segundo lugar en canto a riqueza entre os contribuíntes por este gravame no Estado, colocándose a continuación os residentes nas Illes Balears, cun patrimonio de 3,9 millóns. Nos postos de cola sitúanse 14.515 contribuíntes aragoneses cunha fortuna media de 1,88 millóns e 1.243 contribuíntes estremeños cun patrimonio de conxunto de 2,04 millóns de euros. Imposto da Solidariedade A ministra de Facenda, María Jesús Montero, anunciou a creación dun tributo denominado Imposto da Solidariedade das Grandes Fortunas. A figura impositiva, cuxo nome e orientación está calcado da lexislación tributaria francesa, gravará todos aqueles contribuíntes cun patrimonio superior a tres millóns de euros, incrementando os tipos en función da fortuna e afectando a madrileños e andaluces.
QUEPASA_249
Vieiro desenvolve a campaña Mar de Redes polos centros de ensino de Carballo
"Non xogues co xogo, aposta pola vida" á a campaña da Deputación da Coruña e Agalure para combater a ludopatia entre a mocidade. Caras coñecidas como Xosé Antonio Touriñán, María Mera, David Perdomo, Eva Iglesias e o dúo Verto forman este vídeo promocional, que segue a estética dos anuncios publicitarios das casas de apostas para conseguir un maior impacto: ❌ Non xogues co xogo. Aposta pola vida ❌ Rapaces e rapazas, estamos aquí para decirvos o que outros non vos contan. ℹ️ Campaña de prevención da ludopatía entre a mocidade da @Depucoruna e @agalure Grazas a @xatouri @MMariamera @EvitaaIglesias @VertoTemazos @DLPerdomo pic.twitter.com/ZrN8xQJY9T— Deputación da Coruña (@Depucoruna) May 1, 2021 Segundo os informes de AGALAURE, mentres que a adición ás máquinas tragamoedas descendeu nos últimos anos, as apostas deportivas e o xogo online experimentaron un notable incremento, tamén durante a pandemia. Este novo perfil de adicción ao xogo afecta a persoas con idade media cada vez menor e o tempo de latencia para adquirir a dependencia é moi inferior no xogo en liña que nas máquinas recreativas. Dentro da campaña tamén hai unha serie de charlas nos centros educativos, entre os que se atopan o CPI Plurilingüe Cabo da Area (Laxe), CPI de Zas e IES Maximino Romero de Lema (Zas), CPI Plurilingüe da Picota (Mazaricos), IES Ramón Caamaño (Muxía), e o IES Lamas de Castelo (Carnota). As charlas céntranse especialmente nas apostas deportivas e o xogo online, que segundo os datos da entidade, é o que máis medra entre a mocidade e o principal motivo das consultas que lles chegan nos últimos anos. Mar de redes Paralelamente, a Asociación Vieiro desenvolve o programa "Mar de Redes" nos centros de ensino de Carball. Un programa que trata sibre o bo uso da novas tecnoloxías e a prevención do xogo patolóxico. A encargada de implementarlo é a pedagoga: Dalila Vizcaíno Regueira
NOS_1255
Os principais sindicatos xa solicitaron a convocatoria do Consello Galego de Seguridade e Saúde no Traballo para analizar a situación.
No mínimo 6 traballadores e traballadoras mortas na Galiza en accidentes laborais no que vai de mes de xuño. Unha situación que os sindicatos cualifican como insoportábel e que levou a CIG, CCOO e UXT a pedir a convocatoria do Consello Galego de Seguridade e Saúde no Traballo. U nha petición da que informa Comisións, cuxo secretario de Saúde Laboral, Roi Fernández, considera que "cómpre analizar cales son as causas que están a provocar a alta sinistralidade que se rexistra no noso país". Esta quinta feira falecía un operario de 45 anos despois de caer desde unha grande altura e sufrir un golpe na cabeza mentres traballaba nunha empresa situada no Polígono da Granxa do Porriño. Ao longo de 2019 un total de 32.651 traballadores e traballadoras sufriron accidentes na Galiza, sinistros nos que se produciron 62 mortes. Galiza está á cabeza do Estado español en índice de incidencia (número de accidentes por 100.000 traballadores) en sinistros laborais mortais. Duplicamos a media estatal no que é unha constatación máis do preocupante panorama que nos accidentes laborais rexistra Galiza. No Estado hai 3,24 sinistros mortais por cada 100.000 traballadoras. Na Galiza hai 6.05. Ademais, Galiza é o territorio con máis empresas que superan os límites de sinistralidade laboral
PRAZA_5379
A Xunta incumpriu os prazos de alegacións cos colexios profesionais e non consultou con organizacións de pacientes. O organismo asesor dubida tamén dos incentivos ao persoal do Sergas por aforrar.
O pasado 20 de marzo, mentres Alberto Núñez Feijóo viaxaba por América, o Consello da Xunta dáballe o visto e prace ao decreto que regula as áreas de xestión clínica. As áreas, definidas polo Goberno como "estruturas organizativas multidisciplinares que incorporan e implican o profesional sanitario na xestión eficiente dos recursos utilizados na súa práctica clínica" foron presentadas daquela polo vicepresidente, Alfonso Rueda, como unha vía para "obter mellores resultados na atención dos pacientes e avanzar na eficiencia dos recursos dispoñibles". Fronte a el, os sindicatos e a oposición parlamentaria observan na medida unha porta aberta a novas privatizacións. Alén do ámbito da opinión, o Consello Consultivo é aínda máis drástico: este decreto é "contrario ao ordenamento xurídico". As tachas de legalidade que atopa o organismo encargado de velar pola legalidade dos actos da Xunta comezan na propia tramitaciń do decreto. A primeira "incorrección" atópaa no prazo que a Consellería de Sanidade lles deu aos colexios profesionais para formular alegacións ao decreto cando aínda era un proxecto. "Na documentación achegada -di o ditame- figuran copias de correos electrónicos de data do 15 de marzo de 2012" nos que se lles indicaba aos colexios de medicina e enfermaría que "formulasen alegacións antes do 25 de marzo". Aínda que "non consta a data" en que os destinatarios leron os correos, explica o Consultivo, o prazo "en ningún caso foi superior a sete días hábiles, polo que resulta evidente que non se respectou o prazo de 15 días" que marca a lei. Sanidade non consultou cos pacientes e incumpriu os prazos de alegacións cos colexios profesionais A esta circunstancia, sinala o informe, engádese que "durante ano e medio o texto do proxecto sufriu numerosas modificacións a respecto do inicialmente trasladado aos colexios profesionais", cambios que "facían necesaria unha nova consulta, aínda que se utilizase o trámite de urxencia". Ademais, di, non consta "que se solicitase a opinión a entidades que representen aos e ás pacientes", polo que "o esencial trámite de audiencia aos cidadásn afectados nos seus dereitos e intereses polo proxecto" non se "practicou en forna neste procedemento, polo que debe formularse a correspondente tacha de legalidade". "Indefinición" e "dúbidas" Aínda que o ditame deixa claro que a devandita tacha de legalidade xa "eximiría" o Consultivo de "facer máis consideracións", o organismo avaliou igualmente o conxunto do texto "para o caso de que se opte por retrotraer as actuacións ao momento procedemental no que se cometeron as irregularidades". Así, por exemplo, o organismo público advirte un "certo grao de indefinición do sistema" creado polo decreto para a sanidade galega e "falta de claridade nalgunhas das súas previsións". Ambas circunstancias "poden suscitar súbidas sobre a afectación final que este novo modelo de xestión do servizos sanitarios pode producir na estrutura organizativa do sistema", engade. "Pode interpretarse que se terán en conta unicamente indicadores de eficiencia, cando o obxectivo é a mellora da saúde" Entre os aspectos dos que dubida o Consultivo está un dos puntos máis criticados polos sindicatos da sanidade pública: os incentivos que os e as profesionais poden recibir por aforrar ou, segundo interpretan as centrais sindicais, por recortar. "A regulación destes mecanismos non resulta suficientemente clara" xa que está condicionada "totalmente ao acordo de xestión clínica", isto é, ás normas das que se dote cada unha destas áreas. "Podería interpretarse que se terán en conta unicamente indicadores relativos á eficiencia na utilización dos recursos", di o ditame, "cando o obxectivo primordial deste novo modelo sería, de acordo co indicado no preámbulo (...), a mellora dos resultados na saúde da poboación". A Xunta, cando menos de momento, fixo ouvidos xordos a todas estas advertencias. Para os sindicatos, o varapau do Consultivo debera ser motivo de retirada inmediata. Decreto que regula as áreas de xestión clínica
PRAZA_1944
A investigadora da Universidade da Coruña, distinguida como a investigadora menor de 35 anos co mellor labor científico.
A doutora en Bioloxía Vanessa Valdiglesias é unha das investigadoras con maior proxección da Universidade da Coruña. En dez anos de carreira investigadora desenvolveu unha prolífica actividade internacional, con estadías en laboratorios de Reino Unido, Italia, Portugal, India e Chile durante máis de tres anos. Esta intensa traxectoria vén de lle supoñer un novo galardón, nesta ocasión outorgado pola Sociedade Europea de Xenómica e Multixénese Ambiental. No marco do congreso que esta entidade científica celebrou a pasada semana en Praga a súa presidenta, Lisbeth Knudsen, entregoulle a Valdiglesias o galardón que a distingue como a investigadora europea menor de 35 anos con mellor traxectoria científica. No mesmo congreso, a doutora coruñesa impartiu unha conferencia. Esta nova distinción súmase a un amplo currículo que comezou coa licenciatura en Bioloxía pola UDC e o mestrado en Biotecnoloxía pola Universidade de Granada. Foi na universidade coruñesa onde Valdiglesias realizou a súa tese, traballo que, lembra a institución académica, xa obtivo "o premio para a promoción de novos investigadores da Real Academia Galega de Ciencias". O seu doutoramento, no ano 2010, obtivo o sobresaínte cum laude e o Premio Extraordinario de Doutoramento. A bióloga foi distinguida como a investigadora menor de 35 anos con mellor traxectoria O premio Dolores Trigo distinguiu en 2013 parte da súa investigación postdoutoral, se ben tamén obtivo recoñecementos de xeito colectivo. Así, o grupo de investigación da UDC no que se integra, lembra a universidade, "obtivo numerosos premios de investigación". O máis recente é o da Fundación Agrupació, que centra a súa actividade no estudo da fraxilidade das persoas maiores. Valdiglesias forma parte do grupo de investigación que estudou os efectos da exposición ao fuel do Prestige Outro dos fitos da carreira investigadora de Vanessa Valdiglesias foi o estudo sobre os efectos para a saúde asociados á exposición ao fuel do Prestige. Este traballo, resalta a Universidade da Coruña, acadou "repercusión mundial". Por este motivo, os membros deste grupo de inversigación "foron reclamados como asesores no Instituto Nacional de Medicina dos Estados Unidos para xestionar a explosión da plataforma petrolífera Deepwater Horizon no golfo de México en 2010.
PRAZA_3754
En termos absolutos, o número de casos detectados rexistra o maior incremento nun día ata 3.476; non obstante, o ritmo de aumento é semellante ao dalgunhas xornadas previas. O Sergas rexistra xa 79 falecementos ligados á covid-19, 18 máis que o día anterior
Os casos de coronavirus detectados en Galicia repuntan, segundo o balance feito público polo Servizo Galego de Sáude este luns, 30 de marzo. Cun chisco máis de demora do que é habitual, o Sergas divulgou que os positivos activos por covid-19 en Galicia son xa 3.476, o que supón o maior incremento absoluto en vinte e catro horas (551 casos coñecidos máis nun día), variable que está intimamente relacionada co número de test realizados, que xa chegan ás 16.118.En termos absolutos, o número de casos detectados rexistra o maior incremento nun día ata 3.476; non obstante, o ritmo de aumento é semellante ao dalgunhas xornadas previasEn termos porcentuais, o incremento diario dos casos activos queda nun 18% -un ritmo maior ao da xornada previa, un 11%, e dez puntos por riba do incremento medio estatal deste luns- e contrasta co comportamento do ritmo de hospitalizacións, que segue a moderarse. Concretamente, o Sergas informa de 134 persoas que están a precisar atención en unidades de coidados intensivos por esta causa -un incremento algo superior ao 9%, o menor en das últimas semanas- e doutras 766 hospitalizadas, un aumento do 8% -no día previo este indicador aumentaba ao 8,44% e no anterior, por riba do 17%-. O Sergas rexistra xa 79 falecementos ligados á covid-19, 18 máis que o día anteriorO indicador que amosa unha peor evolución da pandemia en Galicia neste luns, 30 de marzo, é o das persoas falecidas. O Sergas xa ten rexistradas 79 mortes, indica o Sergas, un 29% máis que na xornada previa, cando se rexistraban 18 menos. Un dos casos máis impactantes das últimas horas foi, como informaron medios como La Opinión de A Coruña, a morte dunha muller embarazada de 37 anos que deu positivo pola covid-19. Tanto ela como o bebé que esperaba faleceron tras unha cesárea de urxencia.Aínda que a un ritmo menor que o resto de indicadores, tamén seguen aumentando as altas constatadas polo Sergas, e xa chegan a 168. Mentres, a maior parte dos pacientes que deron positivo continúan en illamento domiciliario, sen necesidade de hospitalización. Sempre segundo os datos fornecidos por Sanidade, esta é a situación na que se atopan 2.576 persoas, un 22% máis que no balance anterior. As persoas illadas a domicilio aumentan este luns en maior proporción que as hospitalizadas tanto na UCI como en unidades ordinarias. Así, fronte a ese 22% das doentes na casa, as atencións en UCI soben un 9,84% e as hospitalizacións ordinarias, un 8,35%.Vigo volve ser a área sanitaria con máis casosOs datos divulgados este luns polo Sergas indican que este luns a área sanitaria de Vigo volve ser a que máis positivos por coronavirus rexistra en Galicia, cun pronunciado incremento ata os 866. Séguea a área da Coruña, que xa supera tamén os 800, e a continuación sitúase Santiago, con máis de 500. Nas áreas coruñesa e compostelá a Xunta contempla a instalación de hospitais de campaña, se fose preciso.Cuns incrementos menores continúan as áreas de Ourense (479) e Pontevedra (348). Lugo segue sendo a segunda con menos casos (289) e Ferrol, malia aos fortes incrementos dos últimos días, mantense como a que menos casos positivos por covid-19 rexistra, con 158.
NOS_37223
O sistema de descontos aplicarase nos viarios de titularidade galega.
Nas "próximas semanas" coñecerase a contía dos descontos que a Xunta da Galiza prevé aplicar dentro dun sistema de bonificacións para familias numerosas nas peaxes das autoestradas AG-55 (que une A Coruña e Carballo) e a AG-57 (coñecida como a do Val Miñor), ambas as dúas de titularidade galega. O mecanismo para aplicar estes descontos levarase a cabo a través de dispositivos de telepeaxe que estarán vinculados ás matrículas dos vehículos familiares, segundo informou esta cuarta feira, 3 de marzo, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nunha rolda de prensa decorrida após un encontro co presidente da Asociación Galega de Familias Numeroas (Agafan), Luís Sánchez, para abordar esta medida e outras relacionadas con descontos para familias con varias crianzas, como os estabelecidos para o transporte metropolitano, que a Xunta anunciou que estenderá a toda Galiza antes de que conclúa o presente ano. Na reunión, segundo explicou Vázquez, tamén se trasladou a Agafan a proposta da Xunta enviada ao Goberno español para empregar a partida consignada nos Orzamentos Xerais do Estado para aplicar rebaixas nas peaxes da autoestrada AP-9, entre as que figura unha específica para familias numerosas. As contas do Estado consignan 65 millóns para descontos na AP-9, mais a pesar de os Orzamentos resultaren aprobados polas Cortes Xerais en decembro aínda non se aplicaron esas bonificacións. Noutra orde de cousas, Ethel Vázquez referiuse, en resposta aos medios, á autovía A-52 no tramo entre Vigo e O Porriño, que presenta, segundo a conselleira, "un estado de conservación que non é aceptábel" nunha vía que, ademais, conta con "récord de sinistralidade". A conselleira instou a Administración do Estado a actuar para que "se arranxen as fochancas" nesta infraestrutura.
PRAZA_3102
Os mariños mercantes que serviron baixo bandeira estadounidense serán condecorados coa Medalla de Ouro, a meirande distinción civil no país. Unha investigación revela datos sobre os emigrantes galegos que morreron en buques atacados por submariños nazis.
Enrique Ojen, natural de Sada, emigrara cara aos Estados Unidos (EUA), vía Liverpool, con 20 anos en 1914. Establecido en Nova York, e xa nacionalizado estadounidense, acumulaba tres décadas de experiencia como mariñeiro e estaba embarcado no cargueiro de vapor SS Heredia, onde traballaba como engraxador. Con 48 anos, foi un dos falecidos ---desaparecido no mar-- nun buque torpedeado e afundido polo submarino alemán U-507 do exército nazi en maio de 1942, durante a Segunda Guerra Mundial. O Congreso dos EUA concederá a Medalla de Ouro aos mariños mercantes que serviron baixo a súa bandeira na II Guerra Mundial, entre eles centos de galegosO seu compañeiro, o coruñés Marcelino Mosquera, de 53 anos e encargado do mantemento das máquinas, morreu tamén naquel ataque, ao igual que outro sadense, Antonio Blanco, home de mar experimentado que chegara a NY desde Cuba en 1919 para acabar perecendo aos 57 anos rumbo a New Orleans xunto con outros 40 tripulantes que nunca foron achados. Enrique, Marcelino e Antonio son tres dos mariños mercantes galegos aos que o Congreso dos EUA concederá nos vindeiros días a Medalla de Ouro, o distintivo civil máis importantes dese país, por servir baixo bandeira estadounidense na Segunda Guerra Mundial, logo de que o Senado aprobase o pasado 21 de decembro o anteproxecto de lei. A iniciativa foi impulsada polo congresista demócrata John Garamendi, neto de vascos, e tornará en lei nas vindeiras semanas, segundo destaca Pedro J. Oiarzabal, doutor en Ciencias Políticas-Estudos Vascos pola Universidade de Nevada, en Reno (EUA). "É unha distinción moi importante, tamén polo descoñecemento que hai do labor que fixo a mariña mercante para os aliados; e nela moitísima xente que proviña de diversas partes do Estado, pero sobre todo vascos e galegos", lembra a Praza.gal Oiarzabal, que centra os seus varios anos de investigación sobre o tema nos mariñeiros de orixe éuscara, pero que polo camiño atopou moitísimas referencias a persoas nadas en Galicia ou de familia galega. Centos de buques mercantes e mariñeiros galegos "contribuíron de maneira excepcional á causa aliada" nun conflito no que milleiros de tripulantes faleceron"Son moitos os galegos, centos ou milleiros, en maior número que os vascos", explica Oiarzabal sobre a súa presenza na mariña mercante dos EUA, que "contribúe de maneira excepcional á causa aliada", transportando tropas, armas ou subministros nunha época, lembra o historiador, na que "o 99% do transporte realizábase por mar". Así, os buques comerciais militarízanse e póñense ás ordes do Estado Maior coa entrada dos Estados Unidos na Segunda Guerra Mundial. Alí, centos de galegos "arriscan a súa vida, consciente ou inconscientemente, sendo participantes moi activos no conflito". Así fai tamén outro galego, Castor Cibeira, que emigrara en 1916 a Nova York. Mariñeiro, traballou en varios buques norteamericanos ata que se enrolou no SS Meriwether Lewis, barco que en 1943 saíu de Nova York cara ao Reino Unido co obxectivo final de chegar a Rusia cun cargamento de munición e pneumáticos. No Atlántico Norte, preto xa de Groenlandia, foi atacado por dous submariños alemáns que provocaron a explosión e o afundimento da embarcación e a desaparición no mar da tripulación, máis de 70 persoas. En 1942, uns 500 buques foron afundidos ou danados polos nazis; en moitos deles había veteranos mariñeiros galegos que emigraran aos EUA anos antesAínda que xa sufriran danos antes, a declaración de guerra alemá aos EUA expuxo á mariña mercante á temible frota submariña nazi ou Unterseeboot (U-boats), sobre todo en 1942. Entre febreiro e maio dese ano, uns 175 barcos foron afundidos na costa leste norteamericana. Ao final dese ano, uns 500 buques foran afundidos ou danados, coa perda de 4.300 mariñeiros. A incorporación da Garda Armada e de artillería a bordo dos mercantes, ademais da escolta de destrutores ou portaavións, evitaron tantas catástrofes de alí en diante. Non puideron evitar a morte Castor, Enrique, Marcelino e Antonio, só catro dos 29 mariños mercantes galegos falecidos a bordo dun barco baixo bandeira estadounidense e identificados nas investigacións que lidera Pedro J. Oiarzabal. Son máis da metade do total de mariñeiros achados e con orixes en España nestes traballos. Pero había moitos máis. "Había moito mariño galego con longa experiencia, non era xente nova, senón curtida. Xente que levaba décadas xa emigrada nos EUA ou que o fixo despois da guerra civil española e que satisfacía a enorme necesidade de man de obra nos mercantes estadounidenses", explica o investigador vasco, que insiste en que o número de mariñeiros de Galicia con dereito á Medalla de Ouro que agora lles conceden é "imposible de calcular". Centos, milleiros... "Moitísimos". Todos, lembra, con gran experiencia na mar e procedentes, na súa maioría, de pequenas localidades da costa galega."Os galegos non eran xente nova, senón curtida; satisfacían a enorme necesidade de man de obra nos mercantes estadounidenses", di o investigador OiarzabalNesta mínima listaxe aparecen José Cambeiro ou Manuel Luaces, ambos de Muros; Joaquín Cupeiro, de Ferrol; Ricardo Marino e José Segado, da Pobra do Caramiñal; Antonio Tizón e Andrés Núñez, tamén de Sada, este último falecido a bordo do SS Muskoge; Antonio Castro, da Estrada... E Víctor Otero Luaces, de 37 anos, embarcado no SS Otho, afundido por outro torpedo dun submariño alemán 200 millas ao leste de Cabo Henry, en Virxinia. Foi declarado "desaparecido en acción" e condecorado, como moitos outros galegos. O meirande recoñecemento civil dos EUAAgora, todos eles, e centos máis, serán recoñecidos polo Congreso como parte da mariña mercante, a gran esquecida. "Van conseguir por fin o recoñecemento público que merece", recoñece un responsable da American Merchant Mariner sobre un colectivo que obtivo para todos os seus membros, xa en 1988, o estatus de veteranos de guerra, unha distinción que outorga beneficios que poden ser reclamados por eles mesmos ou polos seus descendentes. Coa Medalla de Ouro do Congreso uniranse a outros grupos que recibirion este recoñecemento nos últimos anos por servir na Segunda Guerra Mundial, como os Navajo Code Talkers –codificadores de orixe Navajo do Corpo de Marines–, os aviadores Tuskegee –afroamericanos–, os soldados Nisei, americanos de orixe xaponesa, ou os veteranos filipinos.Este galardón é, xunto a Medalla Presidencial da Liberdade, o meirande premio civil nos EUA. Entre os galardoados, Rosa Parks, Neil Armstrong, Martin Luther King, Thomas A. Edison, a Cruz Vermella Americana ou George Washington.
NOS_34193
O que deben analizar as e os expertos é se a poboación de menos de 60 anos que xa recibiu a primeira parte do tratamento con este fármaco continúa con el ou cambia de vacina.
A ministra de Sanidade, Carolina Darias, avanzou hoxe que a Comisión de Saúde Pública decidirá en cuestión dunha semana se se administra finalmente a segunda dose da vacina contra a Covid-19 creada AstraZeneca a persoas menores de 60 anos que xa recibiron a primeira. Após o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) desta cuarta feira, a responsábel de Sanidade comentou que a comisión, integrada por membros do Ministerio e dos distintos territorios do Estado español, tomará "a decisión máis acertada", en base a informes. En concreto, terán en conta o que digan os documentos de expertas e expertos e os resultados e observacións recollidas naqueles estados que aplicaron a vacina de Pfizer na segunda dose. Ademais vanse consultar os ensaios clínicos. Madrid ou Andalucía criticaron na última semana a tardanza sobre a decisión ao respecto da adecuación do medicamento de AstraZeneca, tendo en conta os riscos de tromboses. Por exemplo, a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, avanzou hoxe que está a valorar como opción aplicar a segunda dose a persoas que sexan voluntarias. "A Consellería de Sanidade o que quere é que o Ministerio se pronuncie dunha vez por todas para saber como fornece a segunda dose pero se non o fai nos próximos días terán que aplicalas para que non se perda o efecto da primeira", remarcou a popular. Pola súa parte, ao ser interrogada sobre a decisión de países como Noruega de suspender os tratamentos con AstraZeneca, Darias defendeu que "o que se fixo no seo do Consello é maximizar os beneficios, as vacinas son seguras". "Os contextos son distintos en cada país e deben tomar as decisións segundo as súas necesidades", comentou.
NOS_31062
A conmemoración terá lugar o vindeiro domingo, 28 de novembro. O Concello iluminarase de cor vermella este segunda feira para conmemorar o Día Nacional das Enfermidades Neuromusculares.
Lugo conmemorará o 21º aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade o vindeiro domingo 28 de novembro con diferentes actividades como os xogos tradicionais, poesía e música. A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo organizou a celebración para o domingo, e non para a segunda feira 30, "para facilitar a asistencia das veciñas e dos veciños a todas as actividades que desexen". Nas inmediacións da Muralla celebraranse concertos das distintas agrupacións musicais do Conservatorio de Lugo e unha ruta poético musical protagonizada por poetas e instrumentistas da cidade. Pola mañá realizarase unha mostra de xogos tradicionais no propio adarve da muralla, a cargo da asociación Xotramu. Día das enfermidades Neuromusculares Alén diso, o Concello de Lugo pensa iluminar de cor vermella a fachada da Casa Consistorial esta segunda feira 15 de novembro para conmemorar o Día das Enfermidades Neuromusculares (ENM). Con esta iniciativa, explica o municipio nun comunicado, a institución "busca apoiar o traballo desenvolvido pola Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM Galiza), impulsora da iniciativa, para concienciar á poboación sobre esta enfermidade e darlle visibilidade. Destacan ademais que se coñecen máis de 150 ENM, que pola frecuencia con que se presentan forma parte do conxunto das denominadas 'enfermidades raras'. Este ano, a Federación Estatal de Enfermidades Neuromusculares (Federación ASEM), e as súas 29 asociacións, puxeron en marcha a campaña 'Capaces15N'.
NOS_17242
As entidades presentan alegacións e remiten aos acordos no Concello da Coruña e no Congreso dos Deputados.
Defensa do Común, xunto a unha vintena de entidades, presentou alegacións contra o estudo de detalle para a construción de dous edificios residenciais nos antigos terreos do Ministerio de Defensa na Maestranza, na Coruña. Así o anunciou esta quinta feira, 12 de agosto, o presidente de Defensa do Común, Manuel Monge, nunha rolda de prensa que contou con representantes de entidades veciñais, partidos e sindicatos. A principal alegación que fan é que o estudo non cumpre os acordos da corporación municipal da Coruña e do Congreso dos Deputados, ademais de non ter en conta os antecedentes históricos. Lembran que en 2016 foi aprobada sen ningún voto en contra unha moción que pedía ao Ministerio de Defensa a devolución dos terreos do Campo da Estrada. Tamén en 2018 instouse a que o Ministerio de Defensa mantivese unha reunión co Concello da Coruña. Monge pediu "coherencia", e dixo que non se pode ter "unha política na oposición e outra cando se goberna", referíndose tanto ao PSOE como ao PP. Doutra banda tamén considera que non se pode aprobar este estudo xa que habería que modificar o Plan especial de Protección e reforma interior de 2015, xa que as parcelas son de Ben de Interese Cultural (BIC) e forman parte do sistema defensivo, que está protexido pola Lei de patrimonio cultural da Galiza. Ademais sinalan que este Estudo de Detalle vulnera as normas de aplicación directa de protección patrimonial e da paisaxe litoral, xa que, argumentan, tería un impacto en ambos. Segundo explicou Monge, entre as próximas medidas que tomarán as entidades estará "a presión" á Xunta para que non permita este Estudo de Detalle. Ademais, deixou tamén aberta a posibilidade de que as entidades acudan aos tribunais.
NOS_13261
Na última década incrementouse a proporción de menores escoceses que coñecen e usan o idioma propio do país, se ben aínda se mantén en niveis moi baixos.
O coñecemento do gaélico avanzou nesta década entre a poboación menor de idade en Escocia, de acordo cos resultados do censo lingüístico que se veñen de facer públicos e recolle 'Nationalia'. Se ben o idioma propio de Escocia segue a perder falantes -como leva acontecendo desde hai séculos- medra lixeiramente na fanxa de 3 a 17 anos de idade, que se converte así nunha máis que importante reserva de falantes de gaélico, algo que tradicionalmente residía nas franxas de idade máis anciáns. Os escoceses que afirman que falan gaélico son 57.600, o que representa apenas o 1,1% da poboación. E 25.000 deles din que empregan ese idioma habitualmente. En 2001 a cifra de falantes era de 58.600. Porén, é na mocidade onde se está a dar un cambio a positivo a respecto do idioma propio do país. Nas franxas por baixo dos 18 anos aumenta a porcentaxe de gaélico-falantes. Nunha década pasou do 0,9% ao 1,2%. Alén dos 57.600 escoceses que din saber falar gaélico hai outros 30.000 que afirman que o entenden e teñen coñecementos do idioma. Por zonas, o 61% dos habitantes das Illas Hébridas coñecen o gaélico, así como o 7,4% dos que viven nas Highlands. En Glasgow o 1,7% da poboación fala gaélico (perto de 10.000 persoas).
NOS_39395
Segundo o Ministerio de Defensa ruso, avanzou 182 quilómetros cadrados nas últimas 24 horas.
O ministro de Defensa ruso, Serguéi Shoigú, informou este domingo da "liberación" da República Popular de Lugansk, na rexión do Donbás. Shoigú comunicou que as Forzas Armadas da Federación Rusa, xunto coas unidades da Milicia Popular da República de Lugansk, estableceron o control total sobre a cidade de Lisichansk e as localidades próximas. "O territorio liberado durante as últimas 24 horas é de 182 quilómetros cadrados", apuntou. "Como resultado das exitosas accións ofensivas, as tropas do grupo Centro, baixo o mando do coronel xeral Aleksándr Lapin, tomaron os asentamentos de Verjnekamenka, Zolotariovka, Belogorvka e alcanzaron o río Severski Donets. Ademais, xunto co grupo de Forzas do Sur, fecharon o anel de cerco arredor de Lisichansk", detallou. Por outra parte, engadiu que a agrupación militar ucraína está "completamente bloqueada no caldeiro", o que significa en linguaxe militar unha zona onde o inimigo quedou rodeado. O líder da República Popular de Lugansk, Leonid Pásechnik, ampliou a información ofrecida por Rusia indicando que era algo ao que aspiraban "desde hai oito longos anos". "Os neonazis ucraínos usaron civís como escudos humanos, por iso tivemos que conquistar, literalmente, cada casa, cada rúa, cada pobo", engadiu.
NOS_31294
Carme Forcadell, ex-presidenta da Assemblea Nacional Catalana (ANC), elexida presidenta da Cámara co apoio de 77 deputados, 5 máis que os que suman as formacións independentistas. "Iniciemos o proceso constituínte. Viva a República catalá!" dixo Forcarell no seu discurso.
Hai tres anos, despois da multitudinaria manifestación da Diada de 2012, unha persoa pedía aos deputados do Parlament de Catalunya que iniciasen o proceso cara á independencencia. Esa persoa, Carme Forcarell, presidenta daquela da ANC, é hoxe a presidenta do Parlament. Un Parlament que, por primeira vez na historia de Catalunya, ten clara maioría independentista: 72 deputados de 135. 72 escanos eleitos por formacións (Junts pel Si e CUP) que concorreron a estes comicios coa independencia no mascarón de proa dos seus programas. Fronte a 62 escanos de partidos non independentistas. No novo Parlamento hai 72 deputados independentistas. Hai cinco anos, os parlamentares independentistas eran 14 Xa que logo, esta undécima lexislatura que comeza agora é a primeira que ten maioría absoluta independentista na Cámara lexislativa. Algo que non se deu nas dez anteriores. Nas primeiras eleccións cataláns (1980) finalizado o franquismo as formacións que levaban a independencia no seu programa atinxiron 14 deputados. Nas seguintes (1984), 5. Na década dos noventa o número de escanos de formacións independentistas bailaba entre os 11 e os 13. A nova presidenta da nova Cámara logrou 77 votos a prol: os de JpS e CUP (que suman 72) e 5 máis, que os medios cataláns apontan a que procederían de entre os 11 escanos de Catalunya si que es pot. Houbo 57 votos en branco e 1 nulo. Todos os membros do Hemiciclo, agás os do PP e Ciudadanos, aplaudiron no momento da proclamación da nova presidenta. As vice-presidencias recaen en Lluís Corominas (JxSí) e Jose María Espejo-Saavedra (C's), e as secretarías son para Anna Simó (JxSí), David Pérez (PSC), Joan Josep Nuet (CSQEP) e Ramona Barrufet (JxSí). "Poñámonos a camiñar. Iniciemos o proceso constituínte. Viva a república catalá!" acabou o seu discurso a nova presidenta.
PRAZA_10280
Os comités de Alcoa, Ferroatlántica e Celsa en Galicia convocan unha manifestación para o vindeiro sábado para reclamar medidas urxentes e evitar o desmantelamento industrial ao Goberno central, ao que acusan de "incumprir" promesas que poñen en risco o porvir de varias plantas.
Os comités de empresa da empresa Alcoa na Coruña e en San Cibrao, os de Ferroatlántica en Sabón e Cee-Dumbría e o de Celsa Atlantic acordaron a convocatoria dunha manifestación para o vindeiro sábado 8 de xuño na Coruña "por un futuro para a industria electrointensiva" e ante o mouro do horizonte que albisca o seu persoal. O persoal de Alcoa, Ferroatlántica e Celsa en Galicia únese "por un futuro para a industria electrointensiva"Os representantes sindicais insistiron en reclamar un prezo "competitivo" da enerxía para as industrias e a aprobación do reclamado estatuto e censuraron a redución na poxa de interrompibilidade, "en orzamento e bloques". O persoal, como destacou o presidente do comité de empresa de Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, insiste en reclamar "un prezo regulado para a industria electrointensiva" como o que "existe noutros países". "Non pedimos subvencións nin axudas que non sexan legais", insistiu. Está en xogo o futuro das factorías que máis enerxía precisan para producir e das que dependen uns 5.000 empregos en Galicia. Teme por el o seu persoal ante a falta de dunha tarifa estable no Estado e unha continua suba do importe da electricidade que resta competitividade ás fábricas malia as axudas das Administracións e que soltan lastre despedindo traballadores. Alcoa e Ferroatlántica, as dúas principais empresas electrointensivas no país, afrontan senllos ERE, mentres que en Celsa Atlantic tampouco agardan o mellor para os vindeiros meses. Os comités de empresa das compañías en Galicia reuníronse na mañá deste luns na Coruña para anunciar novas mobilizacións conxuntas logo de convocarse unha poxa de primas eléctricas que reduce as bonificacións á factura das grandes industrias e tras reprochar a actitude do Goberno central, do que levan tempo esperando solucións. Á marcha da Coruña podería engadirse outra en Madrid en xuño. O persoal de Alcoa acusa o Goberno central de "non cumprir o prometido" e de pór en risco a chegada dun investidor para a planta"Xuntos por unha tarifa eléctrica competitiva para a industria electrointensiva". "Na defensa dos postos de traballo da industria electrointensiva", din os carteis dunha marcha que sairá ás 12 da Praza da Palloza e rematará ante a Delegación do Goberno. "Ou decantarse pola industrialización ou apostar por favorecer as eléctricas", insistiron en rolda de prensa os traballadores sobre o dilema que debe resolver o Goberno central. Sindicatos e traballadores advirten do risco de perda de emprego industrial e perda económica colectiva en Galicia. Na planta de Alcoa da Coruña, da que dependen uns 400 traballadores directos, agardan a chegada dun comprador antes de finais de xuño para evitar o peche definitivo despois de que tanto esta factoría como a de Avilés quedasen excluídas da última poxa eléctrica tras deter a súa produción, o que aumenta os atrancos, logo de que o Goberno central asegurase o contrario. "Non cumpriron o prometido", lembroulle o persoal este luns, que advirte de que ese incumprimento pon en risco a chegada dun investidor. Desde a planta de produción de aluminio primario en San Cibrao, con 1.200 operarios, reclámase tamén unha solución urxente ante un futuro gris polo menos. Un posible peche desta factoría suporía un golpe brutal para a economía da Mariña, altamente dependente de todo o que se move tamén arredor desta área industrial. "O último cravo que nos acaban de cravar é a redución de bloques na poxa", dixo respecto do Executivo de Pedro Sánchez Xosé Paleo, presidente do comité da factoría. "Estamos pedindo o mesmo trato, as mesmas ferramentas para producir e que nos deixen traballar con dignidade e demostrar que somos competitivos""Rinse de nós", din desde o cadro de persoal de Ferroatlántica, onde se pararon fornos en Sabón e Cee para logo aprobarse un ERE que afectou o persoal subcontratado. Na Costa da Morte o comité teme xa outra operación de Villar Mir para facer negocio coas concesións hidroeléctricas, que por lei están vinculadas á continuidade da factoría. Na siderúrxica Celsa temen tamén as consecuencias futuras dunha factoría onde o prezo da electricidade supón unha importante porcentaxe dos custos de produción. O mesmo problema que afrontan ou afrontarán outras compañías en Galicia de non haber un prezo estable e competitivo axiña. Losada destaca o "compromiso" do Goberno central"O mecanismo de interrompibilidade existe pero é un mecanismo menor porque hai outros que axudan noutros países de Europa. Estamos pedindo o mesmo trato, as mesmas ferramentas para producir e que nos deixen traballar con dignidade e demostrar que somos competitivos", aclarou Corbacho. Desde o Goberno central, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, cre que o actual Executivo socialista está "comprometido" coas empresas electrointensivas e que foi "o único" que se "preocupou" por elas cunha "visión estratéxica e dun espazo temporal suficientemente estable". Losada destaca que, "nun ano e desde o primeiro momento", o Goberno de Sánchez acordou medidas: "Establecemos tarifas con diminución de custos mediante poxas, incrementamos subvencións polo CO2 e elaboramos un estatuto electrointensivo de acordo coas autonomías e coas empresas que está en fase de alegacións, na súa fase final". "Comprometémonos como nunca cunhas empresas que sabemos que teñen dificultades", rematou.
NOS_6611
O empate de santiagueses e vigueses e a derrota pola mínima dos coruñeses, todas a domicilio, permite que os tres equipos galegos disputen a final para subir á categoría de bronce.
O alto nivel da Terceira galega volveu quedar claro esta fin de semana, cando Compostela, Celta B e Fabril superaron a segunda eliminatoria e gañaron así o dereito a disputar a definitiva nos próximos quince días, optando a facer un pleno de ascensos á categoría de bronce do fútbol estatal, posto que o Racing de Ferrol xa o conseguiu na fase de campións de grupo. Non tivo ningún problema o Compostela, que o sábado confirmou o seu pase á rolda final cun empate 1-1 no campo do San Juan de Iruña que se engadiu ao 3-0 acadado unha semana antes en San Lázaro. A pesar da alto ritmo que impuxo o rival nos primeiros minutos buscando unha remonta imposíbel, foi Marcos Suárez quen adiantou aos santiagueses á media hora, deixando así finiquitada a eliminatoria. Un gol de Víctor resultou decisivo para que o filial do Deportivo fixera bo o 2-0 da ida e eliminase ao Tuilla asturiano após un 2-1 no mínimo e moi complicado campo da localidade mineira. Adiantáronse os locais pero un tanto do Fabril na recta final sentenciou a eliminatoria a pesar da vitoria final conseguida polo Tuilla. Tamén acudía cun 2-0 ao seu favor o Celta B, que sufriu durante un pequeno treito do partido a domicilio contra o Mutilvera pero resolveu o pase cunha traballada e meritoria igualada a dous goles. Camucho marcou primeiro para os celestes pero os locais remontaron e se situaron cun 2-1 resultando decisivo o empate acadado polo xuvenil Taylor. Os vigueses, así como o Compos e o Fabril coñecerán o luns os seus rivais na eliminatoria decisiva para ascender a Segunda B.
NOS_24668
Rafael Rodríguez Villarino e Alfredo García loitarán polo liderado do PSdeG en Ourense, nunhas primarias cuxa votación está prevista para o 23 de xaneiro.
O socialista Rafael Rodríguez Villarino, coñecido fóra de Ourense tamén polo seu papel o conflito da política municipal de Ourense cando decorreu a ruptura temporal da coalición de Goberno entre Democracia Ourensá e o PP, loitará por manter o liderado da Secretaría do PSOE de Ourense. Malia certas tensións externas con outros partidos -nomeadamente o PP que non quixo achegar posturas para unha moción de censura contra o alcalde, Gonzalo Pérez Xácome, se Villarino non daba un paso atrás-, o actual líder dos socialistas ourensáns presentou esta sexta feira en Compostela os avais necesarios para estas primarias. En concreto, achegou a número máximo de avais que se requirían para poder ser candidato. Entregou toda a documentación na sede central do PSdeG este 7 de xaneiro, a onde acudiu acompañado de Beatriz Domínguez e Xosé Rúas, que forman parte dese novo proxecto a nivel interno. O aspirante agradeceu o "gran apoio recibido" por parte da militancia e amosou a súa disposición a "seguir loitando por un futuro mellor para Ourense". Agárdase que a carreira pola secretaría estea entre o propio Villarino e o alcalde do Barco de Valdeooras, Alfredo García. Este último, que tamén dirixiu a Fegamp, tería previsto rexistrar os seus apoios este sábado. A campaña para este proceso interno no seo do PSOE de Ourense comezará na próxima cuarta feira, 12 de xaneiro, e as votacións están programadas para o domingo día 23.
PRAZA_18320
Os unionistas e os independentistas máis exaltados, como Albert Rivera ou Joaquim Torra, seguen a recorrer a un potente arsenal de sobreactuacións, mentiras, manipulacións, intimidacións e violacións dos principios democráticos.
Cunha espectacular base de case o 48% do corpo electoral –que, porén, é minoritaria e non lle confire o mandato democraticamente esixíbel para a secesión–, o separatismo catalán céntrase agora na acumulación de capital simbólico para manter a cohesión da cidadanía partidaria da independencia, acadar a hexemonía cultural no país e gañar apoio internacional. O seu aparato propagandístico explota ad nauseam un argumentario que se alimenta de presos polítics i exiliats, violencia policial, parcialidade da xudicatura e do Tribunal Constitucional ou artigo 155 da Constitución. Pero na etioloxía desta sofisticada agitprop están tamén os cálculos oportunistas feitos polas elites nacionalistas, que viron no secesionismo un recurso óptimo para canalizar a indignación cidadá causada por unha crise económica á cal non foi en absoluto allea unha parte desas mesmas elites, de estrita obediencia neoliberal. Atopámonos así ante unha dinámica complexa caracterizada, por unha banda, por un artefacto ideolóxico con reminiscencias ultranacionalistas, reaccionarias e populistas trufadas de tribalismo, esencialismo, clasismo e hispanofobia; e, por outra, por un discurso extremadamente emocional, vitimista, mesiánico e taumatúrxico que desemboca na representación de Cataluña como unha nación virtuosa e na desacreditación de España como unha tiranía incorrixíbel que viola sistematicamente os dereitos humanos dos cataláns. Entrementres, os secesionistas apenas tematizan a súa inobservancia dos procedementos da democracia representativa, a súa instrumentalización das institucións –empezando pola Generalitat– e dos medios públicos de comunicación, ou o caudillismo de Carles Puigdemont. Despois de todo, este é un proceso revolucionario. Revolucionario pero, iso si, con cargo aos orzamentos públicos. Mentres as elites unionistas xesticulan e amosan as súas pulsións antidemocráticas, o independentismo, malia estar fragmentado, segue empeñado en implementar un ilegal procés de desconnexió para o cal non existe un consenso social e que demostra un elevado grao de dogmatismo, precipitación e improvisación. Lembremos a fórmula da folla de ruta de Junts pel Sí en 2015: abonda "una majoria de diputats a favor de la independència", por mínima que sexa e sen que importe o número de votos que a sosteña. Unha fórmula reveladora dun pensamento máxico que nega a realidade e acabou plasmado nas declaracións de independencia do 9 de novembro de 2015 e do 10 e 27 de outubro de 2017, enganosos exercicios literarios con vontade pretendidamente performativa que o único que lograron foi instaurar unha sorte de república cuántica, que existe e non existe ao mesmo tempo. Nin a aplicación da coerción estatal nin o desaloxo de Mariano Rajoy de La Moncloa desactivaron a lóxica bélica que rexe este conflito. Os unionistas e os independentistas máis exaltados, como Albert Rivera ou Joaquim Torra, seguen a recorrer a un potente arsenal de sobreactuacións, mentiras, manipulacións, intimidacións e violacións dos principios democráticos. Esta deprimente dinámica binaria –unicamente nos serve a vitoria, que imporemos como sexa; e asumimos, en consecuencia, a posibilidade da derrota– non pode, evidentemente, formar parte dun escenario de resolución razoábel do conflito. Neste sentido, o novo e intenso diálogo entre os gabinetes catalán e español resulta esperanzador. A nosa democracia –malia todo, unha das máis avanzadas do planeta– está en xogo. Cómpre pararmos máquinas e reflexionarmos. Publicidade
NOS_49313
Penúltimas tendencias (Edicións Xerais) é un libro de poesía que se dirixe "a todas as mozas que non admiten costuras nos labios". O seu autor, Carlos Negro, presenta a súa nova achega literaria esta sexta feira, 13 de xuño, ás 20.30 no Pazo da Peregrina (Bertamiráns-Ames) co seu editor Manuel Bragado.
Con as laranxas de alí babá (Letras de Cal) Carlos Negro iniciaba en 1998 a súa traxectoria literaria á que agora suma Penúltimas tendencias (Edicións Xerais). Na mesma liña que Makinaria,o seu anterior libro, o escritor achega a súa poesía á mocidade, coas súas voces e fuxindo da solemnidade e o academicismo . -No libro fai mención explícita de que vai dirixido a un público concreto, mozas adolescentes. Por que escribe para elas? Sempre partimos do que se vive e eu son profesor e teño moitas mozas alumnas, rapazas que son lectoras e pareceume un destinatario interesante desde o punto de vista emocional. Makinaria era un poemario moi masculino e, por contraste, o reto era meterme na pel dunha moza nesa idade difícil da adolescencia. Interesábame como viven o mundo da publicidade, da imposición da beleza. -Tal e como fala, meterse na pel dunha moza, relatar a súa vida... todo parecería indicar que fala de narrativa mais Penúltimas tendencias é un libro de poesía. A poesía permíteme explotar ao máximo a subxectividade, dáme unha maior liberdade e leva a linguaxe ao límite. Como a miña poesía é narrativa non impide que se poda contar unha historia. Gústame a forza da poesía que funciona como pequenos flashes. Conecta moi ben coa xente nova, comunica, ten intensidade e ritmo. -Por que é singular escribir poesía para a mocidade? Como dicía Fran Alonso nunha intervención, estamos inventando o xénero. Poden ler poetas clásicos ou modernos mais parecíame unha posibilidade inmensa que persoas coma min que estamos a carón de adolescentes podamos pensalos como destinatarios. O reto é atopar unha linguaxe contemporánea, que resulta críbel sen caer na impostura. O máis difícil foi atopar a voz, que fose natural, fluída, que se lea como a voz dunha moza e que se esqueza que detrás hai un home. Busquei unha voz feminina, contraditoria e rabuda. Trátase dunha moza que se fai preguntas, a primeira, quen quere ser e se revela contra as persoas que lle din como ten que ser. Imposicións como o amor romántico, os modelos sexistas... continúan a consagrar a desigualdade e os estereotipos. Quen quero ser neste libro é esa moza que loita contra todo iso. -Para iso introdúcese na linguaxe que emprega agora a mocidade, con palabras novas, algunhas en inglés. Desenvolvín un traballo consciente, mesmo de investigación para que non fose eu quen falase, mesmo lendo revistas como Superpop. En todo este ámbito da moda hai catro palabras fetiches fashion, chic, cool e sexi que aparecen sempre na publicidade destinada a esa idade. É o idioma do consumismo mundial, está nas redes sociais e entra nas películas, nas series, está por toda parte, non a inventei eu. -O crítico Ramón Nicolás falou da voz do seu libro como un "alter-ego" da meniña gaiteira rosaliana dos Cantares. A asociación pareceume moi suxestiva mais non foi intencionada, en todo caso sería inconsciente Eu sempre estou buscando outras voces e a de Rosalia de Castro é unha delas, que, á vez, se convertía en moitas porque lle deu voz ao pobo. -Alén diso, vostede foi o autor do manifesto da AELG deste ano para a conmemoración do Día de Rosalía, que desta volta se promocionou con graffitis incluídos. Cada vez é máis obvio que Rosalía fala cara o futuro. Canto máis achegamos á literatura ao mundo contemporáneo, mellor a entende o alumnado. Rosalía é un clásico porque permite continúas relecturas. A emigración é Rosalía e é o século XXI que nos tocou vivir. A súa voz é libre e os seus versos son berros para graffitear nas paredes por iso os rapaces a senten próxima. -Makinaria, o seu anterior título, falaba de velocidade e da urxencia de vivir de maneira trepidante, dirixido tamén á adolescencia. Considera que precisan máis poesía? Son dous poemarios moi distintos e non é a miña intención meter a toda a mocidade no mesmo grupo. Interesábame daquela reflectir sobre a morte, o amor, a paixón, ao frenesí, o non hai futuro, vivir o día a día con moita velocidade para fuxir das rutinas. En Penúltimas tendencias tamén acontece mais o universo á máis global, afecta a mozas e mozos que adoptan eses estereotipos. Makinaria abriu a porta a esa posibilidade da poesía de tratar temas de actualidade e falar coa voz da mocidade. Quería que tiveran a posibilidade de comprobar que a poesía non é solemne, é ritmo, intensidade e, escribas como escribas, é tamén a busca de verdade. -E non teme que, estando tan pegado Penúltimas tendencias á actualidade, mesmo na linguaxe, quede fora do tempo dentro de, digamos, trinta anos? Ese risco existe. Cando traballas coa linguaxe da mocidade dun tempo pode ser que cos anos pase de moda. A prevención vén xa no título, sempre estás na "penúltima" tendencia. Existe o risco mais tampouco me preocupa Escribo para os meus contemporáneos, se o libro non sobrevive tampouco me parece grave.Gustaríame, iso si, que a forza das emocións poida transcender e supere o risco dunha linguaxe que pode ser caduca ou puntual. -No libro hai unha recreación do poema "Longa noite de pedra", como fixo no seu tempo o colectivo Ronseltz.Vostede acaba de dicir que fuxe da solemnidade da poesía, síntese herdeiro deles? Non tanto nas formas xa que eu non teño esa actitude paródica mais si creo que hai unha conexión na antisolemnidade, no antiacadémico. A poesía ten que luxarse as mans, meterse no mundo que lle tocou vivir, lonxe de mensaxes crípticas e elitistas. Síntome herdeiro deles tamén no sentido de ser algo dadaístas, calquera pode ser artista e intentalo. A poesía ten que fuxir da solemnidade se se quere achegar a novos públicos. -Vostede publicou o seu primeiro libro as laranxas de alí babá en Letras de cal, aquel selo que nacera da efervescencia poética dos noventa na que tamén partillou. Considera que hai unha liña de continuidade desde entón até este novo título? Véxome menos inocente mais lembro aquel tempo como único e irrepetíbel. A voz logo evolucionou mais o que queda de común é a busca da polifonía, de ser voces diferentes. Estou moi lonxe daquel primeiro libro mais sigo recoñecéndome nel. Fuxín de ter unha marca de estilo. O meu proceso é poñer a linguaxe ao servizo da voz do libro, para que resulte auténtica e iso leva a crear máscaras.
NOS_9132
Os nacionalistas consideran que non pode substituírse ''democracia'' por ''dedocracia''.
O BNG vai recorrer por vía xudicial o novo goberno local de Compostela elexido polo futuro alcalde, o ex-conselleiro Agustín Hrnández, e que está integrado por unha maioría de concelleiros non electos, sete de trece. Para os nacionalistas, isto é contraditorio co espíritu do ordenamento xurídico e supón substituír "democracia por dedocracia". Neste sentido, lembran que a propia Constitución deixa ben claro que os concelleiros e concelleiras "deben ser elexidos pola veciñanza". Se ben o BNG afirma ser refractario a "xudicializar" a vida política, o voceiro nacionalista Rubén Cela entende que nesta ocasión si hai argumentos e motivos abondo para defender dar este paso, pois é mester protexer "dereitos básicos" ante decisións simplemente electoralistas, como a adoptada polo Partido Popular na capital de Galiza. O BNG nega o argumento popular de que se optou pola única vía posíbel, lembrando que había "outras opcións". Considera que chegados a este punto debe de ser a xustiza quen se pronuncie e presentarán en breve os nacionalistas un recurso, que está a ser estudado polo gabinete xurídico.
NOS_51318
Máis unha entrega da análise sobre a situación política nas cidades e as perspectivas electorais de cara ao mes de maio. Neste caso, poñemos o foco en Ferrol, cidade onde nunca recuncou un alcalde. Todo apunta a que historia voltará a repetirse, pois as posibilidades de que o actual rexedor, Jorge Suárez (Ferrol en Común) repita no cargo son remotas debido ás feblezas do seu Goberno e á división do que se deu en chamar confluencia. Eis un extracto da análise publicada no número 332 de Sermos Galiza.
O caso de Ferrol é único en Galiza. Existen diversos motivos que fan da sétima cidade do país en poboación unha praza peculiar e con serias dificultades para reverter o seu incuestionábel deterioro. O devalo demográfico non ten parangón no país; a histórica presenza militar condiciona a súa propia configuración sociolóxica; a dependencia do Estado no que respecta ao seu sector estratéxico limitou a súa capacidade para se diversificar no plano económico e o crónico déficit de infraestruturas de comunicación ten aínda cuestións urxentes por resolver (un acceso ferroviario de comezos do século XX). Estas circunstancias, e algunhas outras, proxéctanse tamén na súa gobernabilidade. Un dato ilustra esta teoría, aceptada de xeito maioritario: ningún alcalde ten recuncado no posto dous mandatos, aínda que gañara as eleccións, desde os anos 80. A historia, e tamén a lóxica demoscópica, fai presaxiar que tampouco acontecerá nos comicios do vindeiro 26 de maio. A febleza do actual goberno en minoría de Ferrol en Común (FeC), un heteroxéneo conglomerado formado por Esquerda Unida, Anova e inscritos de Podemos liderado por Jorge Suárez, fai do ex conselleiro de Política Social José Manuel Rei Varela, un dos homes de confianza do presidente da Xunta, o principal candidato para recuperar o bastón de mando que perdera, canda a súa maioría absoluta, en maio de 2015. De feito, o político ferrolán pode presumir de ter obtido os mellores resultados do Partido Popular na cidade desde as primeiras eleccións municipais: maioría absoluta en 2011 (13 de 25 concelleiros e concelleiras que forman a corporación ferrolá) e gañador en 2015 con 11 edís, cinco máis que a segunda opción, FeC, que finalmente, grazas ao apoio do PSdeG (5) nun pacto que resultou ser o segundo máis breve da democracia en Ferrol (o primeiro tivo tamén o PSOE e IU como protagonistas) e os dous votos do BNG na sesión de investidura, levaron Rei Varela á bancada da oposición, na que apenas duraría uns meses, xusto até que Núñez Feixoo o chamou para dirixir a, daquela, recentemente creada Consellaría de Política Social. Ás dificultades do goberno bipartito FeC-PSdeG –con 11 edís igualaban os que conseguira por si mesmo o Partido Popular– uníronse os desencontros que desembocarían na ruptura do pacto en setembro de 2016, despois de que o rexedor rexeitase retirarlle as competencias a unha das persoas independentes que integraban a lista dos socialistas, a edil de Urbanismo María Fernández Lemos. Outra concelleira socialista, Rosa Méndez, responsábel de Patrimonio, decidiu tamén seguir como membro do grupo de goberno malia as presións que recibiu da asemblea socialista local, en mans da ex deputada Beatriz Sestayo, quen as acusou de tránsfugas. Meses despois, unha das concelleiras de FeC, Esther Leira, decidía abandonar o goberno e pasar a ser non adscrita por fortes discrepancias con Suárez. [Podes ler a análise no número 332 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
PRAZA_11005
Eran un total de 259 perfís falsos, que se unen aos que tamén descubriu Facebook, outros 100, empregados para manipular o debate poítico
A rede social Twitter confirmou este venres que a rede de contas falsas que alterou o debate político na rede social nas semanas previas ás eleccións do 28 de abril para aumentar artificialmente o impacto das mensaxes de Pablo Casado, destapada por eldiario.es co apoio de varios investigadores, estaba "operada polo Partido Popular". Tamén Facebook revelou que pechou xa 65 contas da súa plataforma e outras 35 en Instagram porque "aínda que as persoas detrás destas actividades intentaron ocultar as súas identidas", a súa investigación "achou vínculos con persoas asociados ao PP". Son, segundo as dúas redes, 359 as contas falsas que foron operadas polo PP para manipular o debate político. Twitter confirma que a rede de contas falsas, 259 perfís, estaba "operada polo PP"; unha investigación independente vinculáraa a un membro do PP da CoruñaSegundo os datos publicados por Twitter, o número de perfís fraudulentos que operaron para inflar artificialmente o discurso do líder do PP elevábase a 259, xa eliminados. "Estas contas estiveron activas durante un período relativamente curto, e consistían principalmente en contas falsas cun comportamento de spam [propaganda] ou que facían retweet [compartían as mensaxes lanzadas por Casado ou polo PP] para aumentar a interacción", resume Twitter este 20 de setembro. Xusto cinco meses antes, eldiario.es informou da conexión entre as contas fraudulentas e o equipo de redes sociais do PP. Máis concretamente, a investigación vinculara un responsable do PP da Coruña e membro despois dese equipo central de redes do PP, David Díez Nieto, que traballou tamén como secretario provincial de Redes Sociais do PP da Coruña. En 2016, a súa conta foi sinalada en dúas análises diferentes polas súas conexións con outras granxas de bots que impulsaban o PPdeG. "A investigación para poder facer unha atribución 100% fiable é complicada e leva moito tempo", explicou a este medio unha portavoz da compañía. Grazas á colaboración de varios investigadores independentes, como os membros do grupo de investigación en tecnopolítica Heurística, este medio puido illar as relacións da rede coa conta de David Díez Nieto (@David10Nieto), o 17 de abril. Ademais de con Díez Nieto, as contas falsas tamén establecían estrañas conexións con outra persoa real, José López Puy (@LopezPuy), militante de Nuevas Generaciones. "Non son chíos concretos os que fan saltar as alarmas, é o feito de que aparezan na rede. Por como está construído o algoritmo de mostraxe, se acabas aí ou es unha conta falsa ou es unha conta que están rechouchiando moi por riba dos rechouchíos media que reciben outras contas retuiteadas polas contas falsas", detallou a este medio o membro de Heurística Emanuele Cozzo, físico e doutor en redes e sistemas complexos. Respecto do caso en Facebook, a compañía explica que as persoas relacionadas co PP que impulsaron as contas falsas gastaron uns 1.150 euros en promociar páxinas de desinformación entre o resto de usuarios. Facebook asegura que as persoas relacionadas co PP que impulsaron as contas falsas gastaron uns 1.150 euros en promociar páxinas de desinformaciónFacebook e Twitter frearon as redes de manipulación do PP en momentos chave. No caso máis recente, o de Facebook, remataron coa súa actividade xusto antes da campaña electoral do vindeiro 10 de novembro. No entanto, non aclara se as contas falsas da súa plataforma e de Instagram estiveron activos durante o gran ciclo electoral da primavera. Contactado por este medio, o partido de Pablo Casado deu unha explicación moi similar á que proporcionou cando se destapou a rede fraudulenta. "O PP nunca creou contas falsas porque considera que a efectividade real nas redes materialízase cos voluntarios reais e as súas propias contas. Outra cuestión é o que poidan facer usuarios da rede que, baixo a súa responsabilidade, interactúan coas contas do noso partido, como o poden facer igualmente coas contas doutras formacións", dixeron.
NOS_38622
Kevin González é fillo de Fernando González, engraxador e un dos tripulantes desaparecidos do 'Vila de Pitanxo', barco no que ía por primeira vez a Terranova e co que xa fora á pesca nas Malvinas. Kevin insta o Estado a "poñer todos os medios" para recuperar os corpos e a que se investiguen as causas do naufraxio.
Pasaron xa dez días desde o día do naufraxio. Como están?. Como podedes imaxinar, seguimos tristes, desolados. Despois da reunión desta segunda feira [21 de febreiro] no aeroporto de Santiago co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, estamos algo máis esperanzados. Díxonos que ía poñer todo o que estivese na súa man para axudar e creo que as palabras non caeron en saco roto, moitas das peticións que fixemos están a cumprirse. Os barcos pesqueiros en Terranova seguiron a buscar cando o permitiu o tempo. Pedimos unha reunión co director xeral da Mariña Mercante e ímola ter na tarde de hoxe [por onte] en Pontevedra. Sabemos que seguen en conversas con Canadá. Notades agora unha maior reacción e compromiso por parte dos Gobernos en canto á busca que nos primeiros momentos? Agora empezamos a ver feitos palpábeis. O presidente do Goberno español díxonos que tamén estiveran traballando en conversas con Canadá nos primeiros días. Cos compromisos que nos trasladou na reunión dámoslle un voto de confianza. Podíase ter feito máis até agora? Eu creo que si, mais supoño que non é tan doado facelo como chiscar os dedos. O Goberno falou con Canadá mais este país ten uns protocolos moi marcados neste tipo de operativos, de 24 horas, e neste caso deron unha marxe a maiores de 12 horas. Eu, despois de falar co presidente español, fiquei un pouco máis tranquilo a respecto do compromiso coa busca dos mariñeiros desaparecidos. Expertos indican que o Estado ten opcións para buscar os mariñeiros desaparecidos Notan a solidariedade e apoio da sociedade galega? A resposta da xente é incríbel, estou... non podo expresalo con palabras, non podo expresar o sentimento, a gratitude, que é algo que notamos todas as familias. O apoio e o respecto, as chamadas de moita xente para transmitirnos o pésame e a solidariedade, mesmo de xente que nin sequera coñezo... E tamén agradezo á prensa a humanidade que estades a ter coas familias. Nun primeiro momento lamentabades o que cualificabades de "abandono" por parte de institucións e Administracións. Corrixiuse iso? Si, agora a comunicación é moito máis directa, estivemos a ter xuntanzas. Que ides transmitir ou solicitar ao director xeral da Mariña Mercante na reunión? Pois na medida do posíbel que nos diga algo do que puido pasar no buque, se ten algunha proba ou indicio do que puido acontecer, das condicións nas que ocorreu o naufraxio. E en que medida se pode seguir buscando, se hai medios que permitan ir até onde está o buque, etc... Como resumirían o que demandan as familias? Queremos que o Estado ou quen sexa poña todos os medios para poder recuperar os corpos, queremos xustiza para clarificar o que pasou e nós poder ficar coa conciencia tranquila de saber o que pasou e por respecto aos falecidos. E tamén gostaría de que este naufraxio fose un punto de inflexión na xente do mar para que estas cousas non volvan pasar. O seu pai sempre estivo ligado ao mar e tamén ao mundo do remo. Meu pai traballou a maior parte da súa vida ao mar, el é de porto de mar. Foi directivo do club de remo de Tirán. Esta era a segunda marea con esta armadora. A primeira nas Malvinas e esta en Terranova. 'Vila de Pitanxo', cronoloxía dun naufraxio "Queremos saber que foi o que pasou" Kevin González non quer afondar en "hipóteses" sobre as posíbeis causas do naufraxio do 'Vila de Pitanxo'. Lembra que hai aberta unha investigación, pola Comisión Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos. "Hai moita polémica, hai moitas hipóteses, e nós non queremos falar de se estas causas si ou estas non. Estase a investigar e tan pronto se saiba algo, queremos coñecelo, que se saiba", afirma. "Nós o que queremos é que se clarifiquen as causas do que aconteceu, sexan cal sexan, sexa un fallo no motor ou outras. Cremos que é de xustiza que as familias saibamos o que pasou. E tamén por respecto aos falecidos", indica. O comunicado de prensa da Armadora dicía que se puxeran en contacto co patrón e que el aludiu a un fallo mecánico do motor e por iso mesmo non puideron responder ao embate do mar.
NOS_16147
Milleiros de persoas en Escocia reclaman o fin do programa de armamento nuclear británico que ten localizados na costa escocesa catro submarinos que conforman o denominado programa Trident.
O debate arredor da permanencia do programa Trident na costa escocesa e a prohibición do armamento nuclear se esta chegase a ser independente foi un dos eixos arredor dos que xirou a campaña polo 'Si' no referendo de autodeterminación de Escocia o pasado ano. Asunto que mobilizou de maneira notábel a mocidade. Coas eleccións ao Parlamento británico no albo e o anuncio de David Cameron de investir 23 mil 400 millóns de libras para a renovación dos submarinos que compoñen o Trident, situaron de novo o conflito na primeira liña do debate político. O movemento pacifista Scrap Trident volve saír ás rúas e reclama o punto e final do programa armamentístico nuclear do Reino Unido xunto coa saída dos submarinos de Escocia. Demandas ás que se suman o Scotish National Party (SNP), os laboristas e Os Verdes. Nunha marcha decorrida polas rúas de Glasgow baixo o lema 'Bairns Not Bombs' [Crianzas non bombas] 4 mil persoas segundo a organización, 2.500 segundo a policía, percorreron a cidade escocesa o 4 de abril para exixiren o cesamento do programa de armamento nuclear Trident. Días antes en plena campaña electoral o primeiro ministro británico, David Cameron, prometía o investimento de 23 mil 400 millóns de libras esterlinas en renovar as armas de destrución masiva que posúen. En plena campaña electoral o primeiro ministro británico, David Cameron, prometía o investimento de 23 mil 400 millóns de libras esterlinas en renovar o programa armamentístico O SNP contra as armas nucleares Desde o goberno escocés a súa primeira ministra, Nicola Sturgeon lembrou a posición que mantén o SNP --partido que segundo os inquéritos obtería a maioría dos escanos escoceses nos comicios de maio. O partido nacionalista oponse á renovación do programa de armamento nuclear e exixe a saída do Trident de Escocia. Sturgeon sinalou na marcha convocada por Scrap Trident "o que se podería facer con ese diñeiro [23 mil 400 millóns de libras] en sanidade, ensino e outros servizos públicos, non só en Escocia senón en todo o Reino Unido". A primeira ministra tildou de "moralmente inxustificábel" o anuncio de Cameron e advertíu da importancia que terán as eleccións parlamentares na aprobación ou non do proxecto. E é que será a nova cámara a que decida. A mandataria expresaba desta maneira unha das ideas forza do ex-primeiro ministro escocés, Alex Salmond quen no último Congreso do SNP e en plena campaña pola independencia asegurou que a súa formación defendería unha nación libre de armas nucleares. Sturgeon: "O que se podería facer con ese diñeiro en sanidade, ensino e outros servizos públicos, non só en Escocia senón en todo o Reino Unido" Música e ciencia contra o Trident Porén, embora ser Escocia o principal territorio na loita contra o Trident e as armas de destrución masiva, son moitas --e destacadas-- as voces que se unen ao longo de todo o Reino Unido. Neste senso, o 12 de abril unha serie de científic@s, músic@s e intelectuais británic@s asinaron un manifesto publicado no dominical Observer no que reclaman o fin do programa armamentístico. Entre as sinaturas atópanse as do cientista Peter Higgs ou a banda de música Young Fathers. "Apoiar a nosa seguridade nun programa de disuasión nuclear anima o resto de países a facer o mesmo. O Reino Unido debera ser o primeiro membro permanente do Consello Xeral das Nacións Unidas que renuncie ao seu arsenal nuclear", apuntan. O programa Trident data de 1980, ano en que foi anunciado mais non sería até 1994 cando o primeiro dos submarinos iniciase as patrullas. Dos 4 submarinos un atópase somerxido de maneira permanente perante a costa escocesa. No seu interior atópanse mísis balísticos e oxivas nucleares.
NOS_30959
A Asociación pola Defensa da Ría considera que o informe do Consello Consultivo da Galiza a favor de adscribir Ence ao Porto de Marín "non cambia nada".
A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) insiste no seu rexeitamento a que Ence continúe en Lourizán (Pontevedra), xa que considera que o informe do Consello Consultivo da Galiza a favor de adscribir a pasteira ao Porto de Marín "non cambia nada". A través dun comunicado asinado polo seu presidente, Antón Masa, a APDR lamenta non coñecer "na súa integridade" este documento do Consultivo que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, levou na pasada quinta feira a unha reunión coa ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira. o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, xa constatou a "inviabilidade xurídica" de que os terreos de Lourizán se adscriban ao porto e a pasteira se sitúe no seu emprazamento actual. Neste contexto, a asociación recalca que o informe "non pode sortear as sentenzas da Audiencia Nacional" que anulan a prórroga da concesión concedida polo Goberno de Mariano Rajoy en 2018. Ademais, Masa recalca que o documento "non vincula a ninguén e moito menos ao Ministerio de Transición Ecolóxica". Nesa reunión, tal e como anunciou Feixoo ao remataren, a ministra comprometeuse a que a pasteira quede na Galiza, malia que o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, xa constatou a "inviabilidade xurídica" de que os terreos de Lourizán se adscriban ao porto e a pasteira se sitúe no seu emprazamento actual. "Contrariamente ao que nos quere vender o presidente Feixoo, o único avance da situación non supón un cambio de actitude por parte do Ministerio e moito menos un triunfo das posicións da Xunta", sinala a APDR. De feito, o presidente da asociación asegura que foi o Goberno galego o que fixo un "cambio de posición" porque "admite agora un posible traslado fóra de Lourizán, volvendo ás posicións que mantiñan no ano 2012". Así a todo, a APDR está convencida de que as sentenzas que anulan a prórroga da concesión "se farán firmes" e o tempo de Ence na súa actual localización "terá chegado ao seu fin, abríndose unha xanela de esperanza a un futuro para a ría". PP de Pontevedra Por outra banda, o presidente do PP local en Pontevedra, Rafa Domínguez, considera que o informe do Consello Consultivo demostra que adscribir Ence ao porto "ten encaixe legal". "Vimos traballando para que centos de familias non perdan os seus recursos e para que a cidade de Pontevedra non perda a maior empresa da nosa contorna", dixo este sábado Domínguez, destacando o labor da Xunta e do seu presidente. Para o líder do PP na cidade, "non ten sentido que siga habendo administracións que se opoñan ao emprego e a que miles de familias" da Galiza "vexan o seu futuro perigar por un posicionamento político ideolóxico". "Agora temos a solución política, pero nos falta a decisión política. Non existe agora impedimento para que a empresa siga onde está, non hai obriga de mandar a 400 familias ao paro, non hai que seguir falando de demolición", subliñou o popular, quen insistiu en que "se Ence non segue onde está é por culpa do PSOE e do BNG".
QUEPASA_1011
A primeira presentación e venda de exemplares será este sábado en Corcubión
Dende a publicación de "Caída", compartiramos con el a nova (a)normalidade de sempre. Pero non sabiamos que estabamos preparando a saída dun novo libro. O poeta, natural da Coruña pero residente en Cee, Suso Bahamonde, presenta este sábado "Instrucións para matar un oso", publicado pola editorial Belagua. A primeira presentación é este sábado 8 de Maio na casa da cultura de Corcubión, e servirá tamén para lanzar os primeiros exemplares á venda. O libro trae "9 relatos, 9 historias sobre personaxes perdidos no tempo e no espazo. Mulleres e homes baleiros e tremendistas que deambulan en diferentes épocas e condicións sociais sen atopar o seu propio lugar neste planeta. Atrapados en situacións, traballos e vidas que non pediron e das que non saben sair. Dominados pola sociedade e coa esperanza (perdida) de poder vivir á marxe desta, aínda que no seu intento lles custe a cordura ou incluso a vida". É a primeira incursión na narrativa deste ex membro do Batallón Literario da Costa da Morte e do grupo poético musical "The Inversos", despois da participación poética en varios libros colectivos e de tres obras individuais: Óxido nas flores da tarde (Letras de Cal, 2001), Expansión (Didot Editorial, 2017) e Caída (M Editora, 2019). Artigos de Suso Bahamonde en QPC A nova (a)normalidade de sempre. Novas de Suso 2019: Suso Bahamonde: "Non, "Caída" non é un poemario para tirar foguetes de alegría". 2014 Suso Lista e Suso Bahamonde seguen expandindo os seus libros. 2014: Expansión, o novo poemario de Suso Bahamonde.
NOS_23609
Melancolía é lírica ominosa, esuras bases electrónicas, relato apocalíptico e un vídeo sobre a inminente catástrofe. Melancolía é o novo adianto, canción e clip, de O Ciclo da Serpe, o regreso discográfico dos rapeiros Dios Ke Te Crew.
"Melancolía trasládanos a un escenario apocalíptico, inspirado no famoso filme do danés Lars Von Trier do mesmo título", indica a banda nunha nota de prensa. Dirixido por Xaime Miranda e cunha "narrativa máis cinemaotgráfica", o vídeo explica como "nun escenario de enfrontamento ao gran cataclismo ineludíbel, varias personaxes reaccionan de xeitos dispares". Melancolía sucede a Silencio, a primeira canción coñecida do Ciclo da Serpe e un "alegato en prol da liberdade de expresión". O disco completo, o terceiro de Dios Ke Te Crew oito anos despois de Humanose, presentarase o 11 de maio na Sala Capitol de Compostela.
NOS_51102
A directora de AI en Europa Gauri Van Gulik pide a posta en liberdade do ex líder da ANC e cargo eleito de Junts per Catalunya. Esta fin de semana, Manuel Rivas instara a actuación do organismo internacional en relación coa situación que vive en prisión o ex conseller Joaquim Forn.
Esta terza feira, o xuíz Llarena, nun novo auto de contido máis político do que xurídico, voltou a negar a liberdade a Jordi Sànchez, líder independentista encarcerado desde 16 de outubro de 2017. O maxistrado do Supremo argumenta que o preso mantén o seu "ideario soberanista", o que, embora ser "constitucionalmente válido", alimentaría o risco de reiteración delictiva. O que vén dicer Llarena é que nas actuais circunstancias políticas de Catalunya o soberanismo é potencialmente delictivo. Fronte a esta visión de Llarena ergueu a voz esta terza feira unha organización até agora silente perante o conflito catalán. A directora de Aministía Internacional Gauri Van Gulik cualificou a continuidade de Sànchez en prisión de "excesiva e desproporcionada", sendo que restrinxe "o seu direito á liberdade de expresión e de reunión pacífica". Van Gulik pide a liberación imediata do líder independentista para non continuar a agravar a "inxustiza" do seu encarceramento. Alén do máis, para Van Gulik as protestas contra operacións policiais, embora puidesen obstaculizar a acción dos corpos de seguridade do estado, en ningún caso serían constitutivas dos delitos de rebelión e sedición que se lles imputa aos líderes soberanistas. Esta intervencion de AI prodúcese xusto uns días despois de Manuel Rivas, activista da organización, instar un pronunciamento da ong en relación á situación do preso político Joaquim Forn, cuxa prisión tamén foi confirmada por Llarena embora o dirixente independentista ter renunciado ao seu escano e terse comprometido a non vulnerar a Constitución española.
PRAZA_11183
Os populares consideran agora novamente "indispensable para completar a chegada da alta velocidade" os 17 quilómetros máis próximos á cidade de Ourense aínda non iniciados, que obrigarán aos trens AVE a empregar durante anos as vías convencionais
Os populares consideran agora novamente "indispensable para completar a chegada da alta velocidade" os 17 quilómetros máis próximos á cidade de Ourense aínda non iniciados, que obrigarán aos trens AVE a empregar durante anos as vías convencionais"Non creo que debamos centrar o tema na variante de Taboadela". Así minimizaba o presidente Feijóo en novembro de 2016, cando o PP ocupaba o ministerio de Fomento, o atraso das obras do AVE neses 17 quilómetros máis próximos á cidade de Ourense nos que, tres anos despois, a metade deles con goberno popular, aínda non se moveu unha pedra. A demora dese treito fará que durante anos os trens de alta velocidade teñan que empregar para entrar en Ourense a sinuosa liña convencional actual, que está xa a ser adaptada e mellorada para eses tráficos. Pero se cando gobernaba o PP ese treito non era tan importante, agora que Fomento volve estar en mans dos socialistas, como ata 2011, volve ser "indispensable".Este martes os candidatos do PP ao Congreso e o Senado pola provincia de Ourense desprazáronse ata Taboadela, onde se está a construír a conexión entre a liña de alta velocidade, xa practicamente rematada desde Zamora, e as vías convencionais que permitirán aos trens AVE chegar cando menos ata a cidade de Ourense. Alí criticaron o atraso na licitación da variante, que cualificaron agora como "indispensable para completar a chegada da alta velocidade" e consideraron un "atraso" que as obras non fosen licitadas o pasado 1 de xullo despois de que en marzo Adif anunciase de xeito orientativo no Diario Oficial da UE que prevía o inicio desa licitación "durante o 2º semestre de 2019". Os populares volven así á etapa, con gobernos centrais do PSOE, na que daban ultimatos de 10 días para cumprir os prazos do AVE.A demora da variante de Taboadela foi un elemento clave para que en 2011 a Xunta dese por roto o Pacto do Obradoiro asinado co socialista José Blanco e mudase a previsión de remate de toda a liña de 2015 a 2018A cualificación da variante de Taboadela como "indispensable" para considerar completo o AVE galego foi o argumento empregado pola Xunta en 2011 para considerar roto o denominado Pacto do Obradoiro asinado dous anos antes por Feijóo e o daquela ministro José Blanco. Cando daquela o Goberno galego acusou a Fomento de incumprir o cronograma de obras pactado, fíxoo fundamentalmente por ese treito, pero o tempo seguiu pasando e cinco anos de Goberno central popular despois aínda non se movera unha pedra del cando o propio Feijóo cambiaba de parecer.Hai agora tres anos o daquela ministro popular Íñigo de la Serna considerou que non pagaba a pena facer a variante de Taboadela, declaración que pouco despois rectificouEn novembro de 2016 a variante de Taboadela que provocara a ruptura do Pacto do Obradoiro xa non era considerada o punto máis importante no que centrarse. Nese momento, co PP en Fomento, o que importaba era que, malia que ese tramo se atrasase, os trens de alta velocidade puidesen circular pola vía actual para chegar en tren a Madrid desde Ourense "en menos de tres horas, con variante ou sen variante". Tras aquelas palabras de Feijóo, o daquela ministro popular de Fomento, Íñigo de la Serna foi máis alá e dixo publicamente que non pagaba a pena facer ese treito, que cuantificou en preto de 600 millóns despois de que estudos previos do Goberno central o situaran en 300. Fomento acabou rectificando e volvendo incluír a variante de Taboadela nas súas previsións, pero asumindo o propio Feijóo que non estaría rematada ata 2024. En todo caso, argumentaba, iso non significaba que o AVE non chegase ata esa data, senón que o podería facer antes empregando nese último treito a vía convencional adaptada.Tras todos eses cambios de opinión, este martes, co PSOE de novo á fronte de Fomento, e coas obras xa case rematadas nos 200 quilómetros que separan Zamora e Taboadela, para o PP ese treito de 17 quilómetros entre Taboadela e Ourense volve ser "indispensable para completar a chegada da alta velocidade".
NOS_44540
"Betanzos, e a Galiza enteira, teñen unha débeda pendente con Antolín Faraldo", afirmou a portavoz municipal do BNG de Betanzos, Amelia Sánchez.
O BNG homenaxeou na mañá deste sábado Antolín Faraldo polo 200 aniversario do seu nacemento. No acto de homenaxe a Faraldo interviñeron a portavoz municipal do BNG de Betanzos, Amelia Sánchez, e os deputados nacionalistas no Parlamento galego Mercedes Queixas e Xosé Luis Rivas Cruz 'Mini'. O bicentenario de Antolín Faraldo celébrase ante o silencio da Xunta da Galiza "Betanzos, e a Galiza enteira, teñen unha débeda pendente con Antolín Faraldo. Se hoxe en día temos un Parlamento no Pazo do Hórreo, un Goberno galego e un Estatuto de Autonomía débese en boa medida ao impulso fundacional de Antolín Faraldo, o home que encabezou, como secretario, a Xunta Suprema da Galiza na Revolución de 1846, un pronunciamento democrático e galego", explicou a voceira do BNG, Amelia Sánchez. "Faraldo defendeu un sistema tributario xusto, recuperar a capacidade produtiva do pais. Na historia apréndese a liberdade, escribiu, nada máis necesario e máis actual", engadiu a voceira municipal do BNG. Antolín Faraldo e a chegada das ideas socialistas a Galiza Despois de que o pai do provincialismo galego fose nomeado Fillo Predilecto de Betanzos en 2003, a iniciativa do BNG, 2022 foi declarado ano Antolín Faraldo, tamén por unha iniciativa impulsada polo grupo nacionalista. Antolín Faraldo, "referente" Pola súa parte, a deputada Mercedes Queixas afirmou que na Galiza "temos a sorte de ter referentes que soñaron e deselaron o camiño dunha Galiza próspera, soberana e á vangarda". Faraldo, o precursor "Un deles é Antolín Faraldo, a quen axudamos a recuperar e dignificar cada ano. Memoria reforzada hoxe ao se celebrar o 200 aniversario do seu nacemento en Betanzos", subliñou Queixas. A programación do BNG polo ano Antolín Faraldo completarase o vindeiro sábado 17 de setembro coa presentación do caderno publicado pola Fundación Galiza Sempre sobre Faraldo, ás 12 da mañá na libraría Libros coa vicepresidenta da fundación e eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e o autor do caderno, Henrique del Río. A continuación haberá un roteiro guiado polo propio Henrique del Río polos lugares de Betanzos de importancia na biografía de Faraldo.
NOS_3743
O director xeral do ente nega no Parlamento "actitude defraudadora" fronte a unha oposición que lle exixía responsabilidades e explicacións. A comparecencia respondía á denuncia da CUT por unha presunta fraude da CRTVG á Seguridade Social superior aos 4 millóns de euros.
Coincidiron BNG, AGE e PSdeG no tema das súas preguntas ao director xeral da CRTVG na Comisión permante non lexislativa de control deste ente público no Parlamento galego. Nada raro, por outra parte. A denuncia feita en setembro pasado polo sindicato CUT perante Inspección de Traballo "dunha fraude concretada en diferenzas mensuais de cotización de entre 100 € e 700 € na nómina de cada un do case milleiro de traballadores e traballadoras da empresa nos últimos 4 anos" ten dimensión de abondo para que as tres forzas preguntasen ao respeito. O director xeral de CRTVG, Sánchez-Izquierdo, dixo na súa comparecencia que "nonn hai actitude defraudatoria" e que, en todo caso, o importe non sría da cuantía denunciada pola CUT senón outras "pouco significativas". Izquierdo apontou a un erro en relación coa interpretación ou aplicación do Real Decreto Lei 8/2010 como orixe da sitiuación e mesmo sinalou que "non era algo a detectar con facilidade". As explicacións non convenceron a oposición. Para Montserrat Prado (BNG), non deixa de ser raro que só a CRTVG interpretase o Real Decreto dunha forma que deu lugar a infracotizacións á Seguridade Social nas nóminas dos traballadores. "Non lle estrañou que ningunha outra institución pública fixese o que vostedes?", preguntou á vez que lembraba que "houbo consecuencias directas e prexudiciais para cada un dos traballadores afectados, que perceberon prestacións por baixo do que merecían". Para Juan Fajardo (AGE), é un "insulto ao Parlamento" que desde a CRTVG se tente apontar a "discrepancias técnicas sobre a interpretación" do Real Decreto a responsabilidade do acontecido. Preguntou Sánchez-Izquierdo que solucións ía dar ao problema e instouno a asumir "responsabilidades". De por parte, María Burgos (PsdeG) afirmou que o que pasou "non é un erro técnico". Denuncia O sindicato CUT (Central Unitaria de Traballadores) apresentou en setembro unha denuncia contra a Compañía de radio-televisión de Galiza (CRTVG) esta segunda feira en Inspección de Traballo e a Seguridade Social por, segundo sinalaba a central, "unha fraude concretada en diferenzas mensuais de cotización de entre 100 € e 700 € na nómina de cada un do case milleiro de traballadores e traballadoras da empresa nos últimos 4 anos". O incumprimento comezou en 2010, informaba a CUT, "coa desobediencia empresarial do mandato do RDLei 8/2010, de 20 de maio, de continuar malia os recortes sostendo a cotización de maio dese ano, cunha tallada ilícita nas cotizacións do conxunto do persoal da empresaque agás excepcións, sofreu unha importante rebaixa".
NOS_53490
O Partido Revolucionario Institucional, gobernante en México, pediu no Senado que a multinacional con presenza estatal dea conta sobre a operación 'vendida' por Feijóo en plena precampaña como salvación do naval galego
O grupo parlamentar do PRI no Senado de México vén de exixir a Pemex aclaracións sobre quen autorizou o convenio para construir dous buques hoteis en estaleiros galegos. Unha petición que o partido gobernante no país centroamericano vén de facer tras publicar o xornal La Jornada que o acordo se adoptou de costas ao consello de administración da multinacional, sen pasar este polos organismos preceptivos e mesmo sen ter claro de onde sairán os cartos para pagar eses buques. O PRI solicita a Pemex que presente un "informe detallado" sobre os pasos que levaron á paraestatal a aprobar un convenio de perto de 300 millóns de euros con estaleiros galegos ("que levaban cinco anos sen un contrato asinado"), alén de aclarar quen autorizou a operación e cal vai ser o beneficio para México. Dúbidas legais Tamén se exixe a Pemex que explique que fundamentos legais amparan esta operación pois, afirma o PRI, "hai infinidade de interrogantes" sobre esta cuestión. O convenio de Pemex cos estaleiros de Barreras e Navantia, polo cal cada un deles construirá un buque hotel, foi amplamente vendido pola Xunta a semana pasada, que cifrou en 3.000 os empregos que xeraría esta adxudicación. Unha cifra xa desmentida polos propios traballador@s dos estaleiros e os sindicatos, que a rebaixan a, como moito, un terzo dese número.
NOS_21717
A presión hospitalaria aumenta lixeiramente, pero a taxa de positividade dispárase até o 37%
A Galiza encara o inicio desta Semana Santa cun aumento dos casos activos de Covid-19 até os 11.942 -implican 316 máis que o día anterior-, de hospitalizados, con 489 -un máis-; aínda que descenden os novos contaxios, con 1.165 -111 menos. Pola súa banda, a taxa de positividade repunta a un 37,59% no conxunto do país. Segundo os datos actualizados este sábado pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da sexta feira, baixan a 18 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 na Galiza -dúas menos- e a 471 as hospitalizadas en unidades convencionais -tres máis. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en catro de sete: A Coruña-Cee, Ferrol, Pontevedra-O Salnés e Vigo; mentres se alivia nas restantes. Na de Pontevedra e O Salnés baixan a un os pacientes ingresados en UCI pola Covid-19 -un menos- pero aumentan a 63 os hospitalizados noutras unidades -catro máis. Na da Coruña, hai tres ingresados en críticos -un máis- e 116 en planta -catro máis; mentres que en Ferrol son tres os hospitalizados en UCI -dúas máis- e 40 en unidades convencionais --en cambios. Soben tamén en Vigo, que conta con tres pacientes en UCI -un menos- e 80 en planta -12 máis. Pola contra, a de Lugo continúa como a única do sete galegas sen pacientes críticos e rexistra 36 noutras unidades -tres menos; a de Santiago conta con seis pacientes Covid en UCI -un menos- e 76 noutras unidades -seis menos-; e na de Ourense baixan a dúas os pacientes críticos -dous menos- e a 60 os que permanecen noutras unidades -oito menos. Aumentan os casos Os casos activos de Covid-19 incrementáronse lixeiramente e chegan aos 11.942, que supoñen 316 máis que na xornada anterior, ao haber máis contaxios (1.165) que altas (846), ao que se suman tres falecidos. As infeccións activas rexistran, en xeral, unha tendencia descendente desde a entrada en vigor o pasado 28 de marzo de novo protocolo de vixilancia da Covid-19 polo que xa non se contabilizan os autotest e non se fan illamentos agás excepcións. Os casos activos aumentan en seis das sete áreas e só descenden en Ourense, con 13 infeccións menos. Os aumentos lidéraos Vigo (+126), seguida de Lugo (+67), Santiago e Barbanza (+56), A Coruña (+35), Pontevedra (+23) e Ferrol (+21). Deste xeito, con máis infeccións activas mantense a área da Coruña e Cee, con 2.350; seguida da de Vigo, con 2.256; Santiago e Barbanza, con 1.752; Lugo, con 1.686; Ourense, con 1.491; Pontevedra e O Salnés, con 1.280; e á cola segue a de Ferrol, con 1.113. Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade este pasado martes, 5 de abril, adaptado ao novo sistema de vixilancia da Covid-19 centrado en poboación vulnerable, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza en maiores de 60 anos baixa a 732,55 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media nacional redúcese a 426,15. Baixan os contaxios En canto aos novos contaxios de Covid-19 -entre os que xa non se contabilizan os autotest positivos polo novo protocolo estatal de control e vixilancia de coronavirus e non se fan probas de diagnóstico a poboación en xeral- superan o milleiro por cuarta xornada consecutiva pero descenden lixeiramente e marcan 1.165, 111 menos que a xornada anterior con 1.276, que implicaron 199 máis que os 1.077 do xoves, após os 1.012 do mércores, 928 do martes e comezar a semana con 517 casos abertos nas últimas 24 horas. Polo tanto, os contaxiados aumentan na Galiza a 558.232, dos cales 129.202 corresponden á área de Vigo; 116.306, á da Coruña e Cee; 88.124, á de Santiago e Barbanza; 66.974 á de Ourense; 64.079, á de Pontevedra e O Salnés; 59.583 á de Lugo; e 33.136, á de Ferrol. Esta sexta feira efectuáronse 2.043 PCR, o que eleva a 3.805.185 as probas deste tipo feitas desde o inicio desta pandemia no conxunto da Galiza, e 2.492 test de antíxenos, que sitúan en 1.640.268 os efectuados, o que constitúe 4.535 entre ambas. Pola súa parte, a taxa de positividade -número de PCR positivas por cada 100 realizadas- disparouse ao 37,59 por cento, após aumentar ao 30,5% na quinta feira. Así, mantense por encima do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia. Vítimas e curados Desde o inicio da pandemia pola Covid-19 na Galiza faleceron 3.243 persoas pola Covid-19, após notificar este sábado a Consellería de Sanidade outras tres vítimas, todas elas con patoloxías previas. Os tres óbitos rexistráronse o pasado 7 de abril: unha muller de 76 anos na área de Santiago; un home de 86 anos na de Ferrol e outro de 94 anos na área de Lugo. Mentres, 543.104 persoas curáronse da Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria, despois de recibir o alta outras 846 na última xornada. A hostelaría galega ficará sen restricións desde este sábado
NOS_53973
É a primeira reunión entre ambos presidentes desde que Rueda ocupa o cargo.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, mantiveron no día de hoxe a súa primeira reunión desde que o primeiro asumise a Presidencia do Executivo galego o pasado mes de maio. Alfonso Rueda e Pedro Sánchez reuniranse en xullo Rueda cualificou de "cordial" o encontro, que durou unha hora e media, e que se centrou principalmente en cuestións económicas vencelladas cos fondos Next Generation e con propostas industriais como a da fábrica de Altri en Palas de Rei. Precisamente, Pedro Sánchez manifestou as "boas perspectivas" deste proxecto, que suporá un investimento de 700 millóns de euros e do que hai "unha probabilidade moi alta de que sexa financiado". A Xunta insiste nunha excepción para que Altri encaixe nos fondos europeos En canto á situación de Stellantis, que quedara fóra do proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) de automoción, o presidente galego matizou que agora a situación podería cambiar a favor da súa inclusión. Axudas polos incendios O presidente da Xunta demandou ao seu homólogo español que se estabelezan convocatorias de axudas pola vaga de incendios que sufre a Galiza desde hai dúas semanas, independentemente de que se declare a zona catastrófica nos concellos afectados. O conselleiro do Medio Rural non comparecerá polos incendios Tanto Sánchez como Rueda coincidiron en sinalar que os lumes e a súas consecuencias non deben formar parte do debate político. Neste sentido, o presidente galego criticou que unhas declaracións da ministra de Defensa, Margarita Robles, nas que achacou a presenza da Unidade Militar de Emerxencia (UME) nalgunhas autonomías afectadas polos incendios co feito de que estas non fixeron "os deberes" en materia de prevención. Competencia de costas Un dos puntos nos que máis discrepancia houbo durante a xuntanza foi a transferencia da competencia de costas que a Xunta leva a demandar nas últimas semanas e que Rueda levou á reunión con Sánchez. Núñez Feixoo: 13 anos, cero competencias Mentres o dirixente galego asegurou que recibiu un "non categórico" por parte de Pedro Sánchez á transferencia destas competencias, o Executivo estatal matiza que esta non se pode levar a cabo até que se produza unha reforma do Estatuto galego que permita levar a cabo a transferencia con seguridade xurídica. Outras cuestións tratadas En canto á cuestión da chegada do AVE ao resto de cidades galegas, que estaba previsto para este mes, Xunta e Goberno español constituirán unha mesa de seguimento sobre a evolución do contrato estatal coa empresa Talgo, encargada de levar a cabo a operación. O Executivo español anuncia unha suba de 24% no financiamento autonómico En materia de lingua, Rueda volveu defender o seu modelo de "bilingüismo cordial", mais non precisou se, no mesmo caso que a Generalitat e o catalán, demandará que o galego se converta en lingua oficial na Unión Europea (UE).
NOS_2432
Galiza concentra a metade da flota pesqueira española, a metade da industria de conservas e transformados mariños e un terzo da investigación mariña que se realiza no Estado.
As maiores capacidades para a investigación na área de pesquerías do Instituto Español de Oceanografía (IEO) se distribúen entre as sedes de Vigo e Coruña, sen embargo, a sede da área se acaba de fixar en Cantabria. Nunha decisión que reflicte o enésimo zarandeo que sufre esta institución. Madrid Primeiro veu o bloqueo burocrático da actividade científica revestido de controles de gasto, realizados por consultoras privadas con sede en Madrid, chegando a converter nun inferno a execución do orzamento, mesmo de programas financiados con fondos europeos. Logo veu a adscrición, con criterios bastante discutíbeis, xa que teñen obxectivos diferentes, ao CSIC, como forma de resolver os problemas orzamentarios. O chocolate do loro, porque o infrafinanciamento da ciencia do Estado español non se vai a amañar recortando algúns cargos de xestión, senón financiando en igualdade cós países do noso entorno. Ante a decisión da Ministra de Ciencia de levar a sede de pesquerías a Santander compre lembrar o obxectivo fundacional do IEO: "O estudo das condiciones físicas, químicas e biolóxicas dos mares que bañan o noso territorio coas súas aplicacións aos problemas da pesca". Entender os problemas da pesca implica procesos de colaboración, diálogo e interacción directa cós produtores e os decisores políticos. IEO Os problemas científicos deste tipo non acontecen no baleiro senón en circunstancias económicas, políticas, xeográficas, produtivas, culturais, sociais e ambientais específicas. Para responder a esa especificidade é para o que está o IEO. Do mesmo modo, trasladar o coñecemento creado aos sectores que o necesitan require de espazos e mecanismos compartidos, nos que a posibilidade de interacción volve a ser esencial. E dicir, a innovación, o proceso de converter o coñecemento en mellores políticas e prácticas produtivas, beneficiase da proximidade. Celebramos que se reduza a centralización de todo tipo de institucións en Madrid, pero iso é un mero centrifugado se non existe unha perspectiva de reforzar as especializacións existentes, de política de innovación e competitividade en definitiva.
NOS_42144
A Consellaría de Sanidade vén de comunicar a decisión tomada no marco dun novo encontro de traballo coas expertas e expertos do comité clínico. A pasada semana decidírase manter Mos e A Pobra do Caramiñal baixo fechamento perimetral, mais esa medida sobre a mobilidade quedou suspendida na segunda feira e, a partir do día 12 de xuño, só haberá dous chanzos de risco e limitacións (medio-alto e medio-baixo).
O comité clínico optou por non fechar perimetralmente ningún concello da Galiza esta semana nin manter o nivel alto de restricións, polo que haberá cinco municipios no chanzo medio-alto. O resto da Galiza permanecerá baixo as limitacións do chanzo medio-baixo. Así o comunicou esta terza feira a Consellaría de Sanidade após a reunión co grupo de expertas que se ocupa do asesoramento sobre a evolución epidemiolóxica da Covid-19. O país vai quedar repartido en dous niveis de limitacións polo coronavirus: medio-alto e medio-baixo. No primeiro caso estarán, desde este sábado, as vilas de Mos, Oroso, Soutomaior, Viveiro e Xove. O avance actual da pandemia permitirá prescindir nuns días dos fechamentos perimetrais e mesmo doutras limitacións inferiores pero tamén elevadas. Así, o resto de localidades ficarán coas medidas na hostalaría e outros negocios e servizos máis baixas, as propias do menor risco. É probábel que na cuarta feira transcendan máis datos sobre os temas tratados nesta mesa de traballo. Os cambios entrarán en vigor na medianoite do sábado 12 de xuño e haberá un novo encontro na segunda feira. Avances rápidos Hai tan só unha semana, a Xunta e as e os membros do comité decidían estabelecer o nivel máximo de restricións -que implica a prohibición da mobilidade para saír e entrar dun municipio agás en casos xustificados e o feche de toda a hostalaría- en Mos e A Pobra do Caramiñal, deixando Lobios fóra deste nivel despois dalgunhas semanas. Igualmente, 13 localidades ficaban con restricións por enriba do resto do país. Mais tan só uns días despois, na sexta feira, anunciábase o descenso "ao nivel alto de restricións" dos dous municipios confinados, deixando Galiza sen ningún fechamento. Este foi un símbolo inequívoco dun paso máis na desescalada das medidas de control do coronavirus. Vacinación e loita polas competencias Nesta segunda feira xa se falou do verán como obxectivo temporal para quitar as máscaras no exterior. Porén, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñeceu que preferiría que nalgúns casos se mantiveran estes elementos de protección a máis longo prazo. As reticencias do representante do Goberno galego non implican un paro na campaña de vacinación, que chegará en xullo ás menores de 40 anos e que mesmo permitirá que as persoas maiores de 18 anos soliciten o tratamento voluntario contra o virus para cubrir "ocos" na axenda. Ao tempo que se producen estes anuncios, continúa a disputa entre a Xunta e o Goberno do estado español por ver cales son as medidas restritivas xerais que se van manter na "nova normalidade". Mentres o Ministerio de Sanidade ten o seu proxecto de "obrigado" cumprimento, a equipa de Alberto Núñez Feixoo pensa acudir ao Tribunal Constitucional se nada cambia no encontro multilateral desta cuarta feira. Polo de agora o departamento de Carolina Darias xa viu como a Audiendia Nacional tombaba os seus criterios na Comunidade de Madrid. Así mesmo, Sanidade tivo que dar un paso atrás ao anunciar que pediría PCR e vacinación para permitir a entrada de visitantes estranxeiros, mesmo no caso dos pasos fronteirizos con Portugal.
NOS_32289
O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel de turismo considera a seguridade como un elemento esencial á hora de captar turistas nun escenario post COVID-19.
—Onte celebrouse a primeira xornada do foro con diversos entes de xestión. Cales foron as primeiras conclusións?Un pouco as agardadas. A necesidade de colaboración entre xeodestinos, pero tamén de cooperación entre a parte pública e privada do sector turístico. Se non hai axuda público-privada nun negocio como o turismo é difícil poder avanzar. —Chegaron a propoñerse medidas concretas?O que se levou a cabo por parte dos diferentes entes de xestión foi analizar a situación de partida e contar cales son os primeiros pasos que se están a dar. Non se analizaron polo miúdo medidas concretas, pero todas as persoas coincidían na necesidade de contar cunhas pautas hixiénico-sanitarias ben definidas para así gañar a confianza do mercado e que a xente nos elixa para pasar as súas vacacións. —Ademais de seguridade no eido sanitario, que máis lles pode ofrecer o destino Galiza ás turistas 'pos-COVID'?Galiza ten moitas potencialidades. É un territorio pouco masificado con grandes espazos, tanto de praia como de interior, que poden transmitir unha percepción de ser máis seguros, o mesmo que acontece coa rede de turismo rural. Todo iso reforzado con esa pauta hixiénico-sanitaria críbel implantada. —A seguridade parece que é o novo reclamo para o sector.O destino seguro sempre foi un factor diferencial para as familias á hora de escoller, pero estabamos afeitos a valorar esa seguridade en termos de delincuencia, terrorismo, de guerra... Agora estamos cun factor totalmente diferente, cun inimigo que non se ve e que pode estar en calquera lugar, que só se pode parar cunha boa hixiene. Obviamente, a seguridade vai ser un factor clave á hora de gañar a confianza do mercado. —Como será ese novo mercado? Podémonos ir esquecendo do turismo internacional?Neste 2020 case exclusivamente imos ter un turismo familiar, de proximidade e tamén de interior. É moi difícil que veña xente de turismo internacional. Hai varios perfís de turismo que si creo que poden acercarse a nós con certa normalidade este verán. Un deles é o turismo de segunda residencia, no que a xente aproveitará para evadirse da realidade do confinamento destas semanas. Outro sería ese turista que xa visitou Galiza máis veces e que se sente a gusto no noso país, e tamén estaría o turismo de ocio e aventuras, cun aproveitamento intensivo dos espazos abertos, de deportes como o surf, o sendeirismo ou incluso cicloturismo, que sabe que non vai ter grandes aglomeracións. Ese é o target que debemos traballar. —Se priman os espazos naturais e abertos, podemos dicir que o turismo urbano vai ser entón o máis prexudicado polos efectos do coronavirus no sector?Ese vai ser o gran reto. Na primeira xornada do foro toda a xente vía o turismo rural como a gran táboa de salvación. O turismo de natureza vai ser importante, pero para a economía vai ser fundamental recuperar canto antes o turismo urbano, porque é onde está a taxa de emprego máis alta e o maior volume de negocio do sector. Sabemos que no curto prazo vai ser complicado, pero as nosas cidades teñen potencialidades que outras non teñen, como o feito de ser pequenas, amábeis e sen grandes aglomeracións de xente, salvo en casos moi puntuais. —E que poden facer as cidades para volver captar turistas?Temos que analizar ben os fluxos turísticos e o comportamento das turistas nos ámbitos urbanos para que non se concentren todas nun núcleo, por exemplo na praza do Obradoiro en Compostela. É algo ao que non estabamos acostumados porque aínda non padecíamos, salvo casos moi puntuais, unha densidade alta de turistificación no conxunto do territorio. Pero agora teremos que estudalos para que sexa razoabelmente seguro moverse polos ámbitos urbanos. Aí está o gran reto. —Axuda que o turismo non estivese tan masificado de cara á nova situación?As tres grandes cidades (A Coruña, Compostela e Ferrol) estaban tendo moi bos resultados en pernoctacións. A Coruña era a que máis tiña, subindo 12%. Ferrol tamén, cun crecemento de 13%. E logo está Compostela, un tótem turístico a nivel internacional que, aínda que en pernoctacións está máis baixa que estas, xera un importante volume de negocio na hostalaría. Estas cidades tamén fan de tractor do turismo rural, de aí que sexa estratéxico e fundamental para recuperar o turismo
PRAZA_1018
As ONG critican que a norma introducise finalmente unhas disposicións que abren a porta a substituir a traballadores por "man de obra gratis" ou que lles encomenda a tarefa de investigar se os seus colaboradores teñen antecedentes penais
O pasado 23 de xaneiro o Consello de Ministros aprobou os anteproxectos das novas leis de Voluntariado e do Terceiro Sector de Acción Social, cruzais para a actividade da maior parte das ONG. No caso da Lei do Voluntariado, a norma vén substituír á aprobada en 1996, e que quedara moi obsoleta nalgunhas cuestións. A nova lei, de feito, era unha longa demanda das entidades sociais e moitos dos seus puntos supoñen un avance e facilitan o seu traballo e funcionamento, como destacaba Eroski Consumer neste texto. Ademais, fora consensuada coa maior parte do sector e contaba co seu apoio. A norma ofrecía maior protección xurídica, cobertura legal e recoñecemento cidadán ás ONG e melloraba a súa capacidade de interlocución coas administracións públicas. Tamén se protexía dunha maneira máis acertada a propia figura do voluntario ou voluntaria. Ademais, uníase á reforma dos incentivos fiscais ao mecenado, aprobada en decembro, que aumentou as deduciones ás que se poden acoller os e as doadoras. A partir de agora, as persoas físicas que realicen achegas económicas ás ONG recibirán ata un 50% de dedución na declaración do IRPF en 2015 para os primeiros 150 euros e un 75% en 2016 e nos anos seguintes. Para cantidades superiores a 150 euros, a dedución sitúase ao redor do 30%. Ata aquí todo ben. Porén, durante o seu paso polo Congreso, o anteproxecto foi sufrindo cambios, algúns pequenos e outros moi relevantes, que fixeron que dende as ONG se erguese unha voz de alarma. A norma "sufriu unha serie de cambios que decepcionaron profundamente o sector", denuncia a Plataforma do Voluntariado, que pide "maior concreción" e presentou un amplo conxunto de emendas para tentar virar o rumbo da lei. "O sector pasou da risa ao choro, case sen transición. Do aplauso ao temor pola aprobación dun texto que, ao final, non nos represente", engaden. As súas críticas céntranse en dous aspectos. Por unha banda, critícase que a norma "volve esfumar a fronteira entre emprego e voluntariado". A directora da Plataforma do Voluntariado, Mar Amate, sinalou que a lei abre a porta a que se poidan substituír traballadores por voluntarios, convertendo un labor social nunha escusa para conseguir "man de obra de balde" "Debe quedar moi claro que ninguén pode amortizar postos de traballo, nin as empresas nin as administraciónes públicas, con voluntarios. Non podes suprimir postos de traballo dicindo que tes persoas que o fan por colaborar. Iso é ao final man de obra gratis e non un exercicio de participación social", explica. A directora da Plataforma do Voluntariado, Mar Amate, sinalou que a lei abre a porta a que se poidan substituír traballadores por voluntarios, convertendo un labor social nunha escusa para conseguir "man de obra de balde" A Plataforma critica tamén "o estraño papel das empresas na nova Lei", recoñecendo que "as empresas responsables poden ser un importante axente social de cambio" e que "unha das vías de participación pode ser o impulso do voluntariado entre os seus cadros". Porén, indica, "se se trata de exercer a tarefa voluntaria hai que establecer con moita claridade cal é o papel das compañías comerciaos e cal o das ONG". Segundo a Plataforma, "o texto actual concédelles o mesmo rango ás empresas e ás ONG. E é evidente que as ONG e as empresas non son, nin fan o mesmo". Mar Amate insiste insiste en que "cando a lei di que as empresas deben fomentar o voluntariado, debe engadir que sexa no marco dos programas das ONG". "Que non se abra a porta. A empresa se quere promocionar o voluntariado dentro dos seus traballadores ten que entrar en contacto cunha ONG", engade. O outro gran elemento de crítica procede da prohibición, introducida na lei, de que as persoas con antecedentes penais realicen labores de voluntariado. O Goberno introduciu, especificamente, a referencia aos delictos por violencia de xénero e por terrorismo, pero que despois se amplía a outros delictos. "É absurdo considerar que alguén que cometeu un delicto no pasado perda para sempre o dereito a participar na sociedade facendo voluntariado. De feito, centos de ONG contan con persoas que tiveron problemas (tamén coa Xustiza) e iso capacítaaa para axudar e entender moito mellor ás demais", sinala a Plataforma. A principal crítica das ONG procede da obriga, tamén introducida na lei, de que sexan as propias entidades as encargadas de investigar o pasado dos seus voluntarios e voluntarias A principal crítica das ONG procede da obriga, tamén introducida na lei, de que sexan as propias entidades as encargadas de investigar o pasado dos seus voluntarios e voluntarias, facéndose responsables da limpeza do seu expediente. "O papel das entidades de voluntariado non é investigar antecedentes, senón promover a solidariedade e o compromiso co mundo que nos rodea", destaca a Plataforma. Ademais de enviar o xa referido conxunto de emendas, a Plataforma do Voluntariado de España está realizado unha rolda de encontros con distintos grupos do arco parlamentario para informalos de todos os aspectos que preocupan ao sector e pedirlles o seu apoio.
NOS_39935
A brutal malleira a un independentista en Ferrol volveu traer ao primeiro plano a existencia no noso país dunha violencia da extrema dereita e que se concreta en ataques a persoas, símbolos e bens que merecen o seu odio: de bandeiras galegas a monumentos a vítimas do franquismo.
Na Galiza fascistas habelos, hainos. Non só vellos nostálxicos do anterior réxime, tamén xente disposta a pasar a acción e atacar e agredir aqueles e aquilo que sitúan no punto de mira das súas particulares fobias: nacionalismo galego, esquerda, feminismo ou liberación sexual, entre outras. Os ataques da extrema dereita en Galiza nestes anos abranguen diferentes niveis e obxectivos: desde a pintada antifeminista sobre un mural que defende o dereito ao aborto até a brutal malleira a un mozo por ser independentista, pasando polas ameazas contra un concelleiro comunista ou a tentativa de queimar un local social independentista. Agresións O independentista mallado en Ferrol non é a única agresión física rexistrada en Galiza pola extrema dereita. En decembro do ano pasado un mozo foi agredido en Pontevedra por levar unha camisola coa bandeira galega coa estrela vermella e dous anos antes, en 2016, un rapaz denunciou que unha agresión na Coruña ao berro de "Arriba España". Precisou asistencia sanitaria e cirúrxica. As agresións a persoas son os episodios máis graves pero non os únicos da violencia en Galiza por parte da extrema dereita. Contra as vítimas do franquismo A memoria das vítimas da represión franquista é un dos obxectivos preferidos da extrema dereita en Galiza. Nestes anos os ultras españolistas protagonizaron diferentes ataques contra estes memoriais. Exemplos deste actuar con o ataque ao monumento á memoria das persoas represaliadas do Morrazo na Cruz de Maceira, que apareceu en agosto de 2014 pintado coa bandeira española e a aguia imperial e a lenda "los perdedores fuera de España". As pintadas foron realizadas o día despois da celebración dun acto de exaltación falanxista na Igrexa vella de Marín. En outubro de 2017 foi atacado en Volta da Moura, Tui, o monumento que homenaxea as veciñas e veciños asasinados polo franquismo. Esnaquizaron a placa que lembraba as vítimas e botaron pintura verde sobre os nomes das persoas asasinadas. En febreiro de 2011 a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica denunciaba a aparición de "pintadas fascistas" na placa do cemiterio de Lavadores de homenaxe a represaliados polo franquismo. "Non é a primeira vez que acontece", denunciaban desde este colectivo. En xullo de 2007, e por terceira vez en menos dun ano, foi atacado en Cerdedo o monumento dedicado a Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias, traballadores e militantes da CNT asasinados o 13 de agosto de 1936. Desta volta arrincaron a placa en lembranza dos asasinados. Ataques a locais sociais Os locais sociais tamén teñen sido obxecto de ataques. En 2013 persoas descoñecidas atacaran en Pontevedra o local social A Revira, enchéndoo de pintadas de "Fuera separatistas" ou "Galicia es España". En xuño de 2017, en Ferrol e tan só horas despois de que BNG e Fundaçom Artábria propuxesen que se recuperase o nome lexítimo e tradicional, Porta Nova, fronte á denominación posta no franquismo, - Praza de España- ; era atacado con pintura un mural situado perto de Artábria e dedicado ás Irmandades da Fala. Un dos ataques máis graves tivo en xuño de 2012 en Vigo, cando un grupo de descoñecidos rachou a cristaleira do local social A Revolta (daquela na zona vella) e deitaron no interior líquido inflamábel, ao que prenderon lume. O incendio foi sufocado por veciños e veciñas evitando males maiores mais as lapas afectaron a boa parte do material que había no local. En xaneiro de 2008 a porta do Ateneo Ferrolán, Ferrol, foi danada por un incendio provocado. Dede o propio Ateneo sospeitaron que o lume respondía a unha intencionalidade política ou ideolóxica, concretamente, da extrema dereita. Máis recentemente, en xullo de 2016, o Ateneo Libertario Xosé Tarrío da Coruña alborecía coa súa fachada pintada con esvásticas e unha das frases de orde da extrema dereita española: "José Antonio, ¡presente!" . "Mierda comunista" O fascismo tamén atacou nestes anos outro tipo de bens, como a finais de 2017, cando un veciño de Santiago de Compostela encontrou escrito nun lateral do seu coche "Viva España" e o parabrisas traseiro roto en anacos, onde levaba un autocolante coa bandeira da Galiza. As pintadas e ataques a murais con mensaxes soberanistas, feministas ou antifascistas son relativamente frecuentes: por citar só algunhas localidades onde se deron estas accións nestes anos, Bueu, Pontevedra, A Coruña, Ourense, Vilaboa ou Vigo. Murais que amenceron luxados con esvásticas, bandeiras españolas, simboloxía fascista varia, ameazas e insultos. Mais as pintadas non se circunscriben aos murais. En febreiro de 2015 pintáronse esvásticas e puntos de mira na sede do BNG en Caldas de Reis e en xuño deste ano unha cruz gamada foi pintada na casa do portavoz nacionalista en Soutomaior. Non só o nacionalismo está no seu punto de mira: en marzo de 2017 Esquerda Unida (EU) denunciaba en Comisaría as pedradas ás xanelas da súa sede en Ferrol das que penduraba simboloxía feminista. En 2015 o daquela deputado de AGE e concelleiro de Esquerda Unida en Vilagarcía. Juan Fajardo, sufriu varios ataques que non dubidou de cualificar como "fascistas": entre eles, pintadas feitas con sprai de "Mierda comunista" no seu vehículo, na porta da súa casa e na dunha familiar. O 21 de maio a exposición A forza necesaria, centrada na historia do movemento obreiro e sindical da Coruña, apareceu boicoteada con pintadas fascistas. A mostra a ceo aberto promovida polo Concello reúne unha selección de 150 imaxes en paneis de gran formato, obra do deseñador Pepe Barro, que apareceron cubertas con mensaxes como "No al comunismo" o "A Paracuellos".
PRAZA_19279
O Bloque rompe recibos da eléctrica nun acto de protesta simbólico contra os "abusos e a impunidade" da compañía na defectuosa prestación de servizo durante o temporal. A formación nacionalista insiste na tarifa eléctrica galega e en rebaixar do 21% ao 4% o importe do subministro.
Nun acto simbólico de protesta, o BNG rachou hoxe facturas de Fenosa na súa sede en Santiago. Fíxoo para denunciar o que considera "abusos e impunidade" desta compañía na prestación de servizo durante o temporal da pasada semana, así como a "complicidade" da Xunta por "permitir incumprir a lei sen consecuencias". "Fenosa crese a raíña do mambo, vímolo estes día no que millón de galegos e galegas soportaron cortes de luz ata cinco días, e iso non é unha consecuencia do temporal senón do feito de que non cumpre a lei que obriga a ter as liñas en bo estado", denunciou a portavoz nacional, Ana Pontón. "Cóbrannos dúas veces, unha a través dun imposto que vai na factura para o mantemento das infraestruturas e outra a través das subvencións que recibe das Administracións publicas", lembrou. "Non nos chega con que Fenosa poña anuncios desculpándose, queremos que haxa sancións", di Pontón "Estamos ante un abuso máis das eléctricas por unha lexislación que non protexe os consumidores, senón que está feita á medidas das empresas, que obteñen beneficios de escándalo", denunciou o Bloque, que propuxo "sancións exemplares" á eléctrica e reclamou que o Goberno vele por que se cumpra a lei "e non se ofreza un servizo de terceira categría". "Non nos chega con que Fenosa poña anuncios desculpándose, queremos que haxa sancións, que cumpran con este país e poñerlle fin aos privilexios das eléctricas e ao espolio dos nosos recursos naturais", insistiu. Precisamente, este mesmo xoves Gas Natural Fenosa publicou resultados do pasado ano 2016, nos que gañou 1.347 millóns de euros. Malia á redución dun 10% nos beneficios a compañía afirma que as cifras do pasado exercicio amosan a "fortaleza do seu modelo de negocio". Ademais, Pontón acusa a Xunta, de quen considera que ten responsabilidades directas. Por iso, pídelle que non se limite a abrir expedientes, senón que sancione e obrigue a empresa a pagar polos danos causados e habilitar compensacións polas perdas. "Feijóo cando estaba na oposición reclamaba axudas e agora que está no Goberno deixa a xente tirada", lamentou. Pero este mesmo mércores, o presidente da Xunta minimizou os apagóns deste último temporal comparados cos do bipartito. "Cando gobernaban vostedes, eran 500.000 os puntos de subministro afectados", chegou a dicir no pleno do Parlamento. Alén disto, o BNG propón "un debate de fondo" sobre o prezo da luz nun país "que é produtor a esgalla de enerxía eléctrica sen obter ningún beneficio nin para empresas, nin para familias". "Non nos vale que o ministro diga que temos que acostumarnos a pagar a luz máis cara, non nos vale que a a alternativa de Rajoy sexa enchufar a Fernández de Mesa en Rede Eléctrica usando as portas xiratorias e non nos vale que Feijóo sexa o principal tapón para que teñamos unha tarifa eléctrica galega que suporía un aforro extraordinario na factura eléctrica", indicou Pontón, que esixiu unha tarifa eléctrica galega para abaratar a factura e baixar o IVE do 21% ao 4%.
PRAZA_11777
O ente fiscalizador di descoñecer se o Goberno galego está a avaliar periodicamente o cumprimento do Código Ético que Feijóo anunciou hai cinco anos
O ente fiscalizador di descoñecer se o Goberno galego está a avaliar periodicamente o cumprimento do Código Ético que Feijóo anunciou hai cinco anosDurante a pasada lexislatura autonómica, co PP acosado en Galicia e no resto do Estado por diversos casos de corrupción, o presidente Feijóo anunciou diversas medidas de control e transparencia que presentou como un "programa de impulso democrático", entre elas un Código Ético para a Xunta, medidas no eido da contratación pública ou o encargo ao Consello de Contas de que, ademais de fiscalizar o uso ordinario dos fondos públicos, axudase a previr a corrupción. Agora o Consello de Contas vén de facer público o seu Diagnóstico dos sistemas de control interno e estratexia de prevención de riscos da corrupción na Xunta, documento no que afea a lentitude ou pouca ambición do Goberno galego criticando, entre outras cuestións, que non admita denuncias anónimas ou que se descoñeza o nivel de cumprimento do Código Ético anunciado por Feijóo.O Diagnóstico do Consello de Contas foi entregado ao Goberno galego o pasado luns día 23 de decembro pola tarde, seguindo a liña de divulgación dos informes ordinarios do ente fiscalizador en momentos previos a días festivos ou pontes que limitan a repercusión mediática das súas críticas á Xunta. No documento, o Consello de Contas considera que os mecanismos de control interno da administración autonómica acadan un nivel "baixo" nos eidos de "información e comunicación" e "supervisión de actividades", nos que ve "serias limitacións a subsanar", fronte ao nivel "medio" que outorga aos eidos de "contorno de control", "administración de riscos" e "actividades de control"."Os esforzos son illados e non se estableceron políticas e procedementos para que a información relevante se identifique, elabore e comunique ás instancias pertinentes no momento adecuado", di ContasEn particular, ao analizar como a información sobre as medidas de control da corrupción circula entre o persoal e directivos da administración, Contas critica que "os esforzos son illados e non se estableceron políticas e procedementos para que a información relevante se identifique, elabore e comunique ás instancias pertinentes no momento adecuado, de tal forma que contribúa á toma de decisións, ao cumprimento dos obxectivos e á mitigación dos riscos". Nese eido, a Xunta non admite que o funcionariado ou calquera cidadán que poida ser coñecedor dunha irregularidade poida denunciala ante a Administración de xeito anónimo, cuestión que só contempla para as denuncias de acoso laboral."Na nosa opinión, a condición de denunciante debe estenderse a toda a cidadanía na liña do apuntado na Lei do Consello de Contas; e respecto das denuncias anónimas, inclinámonos pola súa admisión sen prexuízo da aplicación dun sistema de garantías que preserve o adecuado equilibrio entre o anonimato e a esixencia de rigor por parte do denunciante. A aceptación nestes termos evita as consecuencias de ignorar feitos ou actuacións (acreditados con probas) que poderían ter a consideración de graves pola circunstancia de non coñecer a identidade da persoa denunciante", resume Contas."En relación co cumprimento do Código Ético, o Consello de Contas descoñece se se está realizando o informe anual de seguimento sobre o seu nivel de cumprimento"O ente fiscalizador é especialmente duro co Código Ético impulsado polo propio Feijóo: "En relación co cumprimento do Código Ético, o Consello de Contas descoñece se se está realizando o informe anual de seguimento sobre o seu nivel de cumprimento", di, para engadir que "non se establece un procedemento para a tramitación das violacións" do Código Ético e "non se establece un sistema de medidas de resposta". "Tendo en conta que aínda non está implantado un sistema de control interno e integridade, o sistema de información e rendición de contas é menos transparente no que afecta á avaliación do cumprimento de obxectivos institucionais, e menos aínda aos obxectivos de integridade e de prevención da corrupción", engade Contas.Contas reclama avanzar na regulación dos grupos de interese e aumentar o tipo de información que se ofrece sobre as axendas dos altos cargos da XuntaO ente fiscalizador tamén sinala que hai moito camiño por recorrer na avaliación dos posibles riscos de corrupción, onde a Xunta carece dun "procedemento formal para a identificación e avaliación de riscos", ou no establecemento dun órgano da administración con capacidade non só de avaliación e control interno senón tamén de "adoptar medidas de resposta" ante os posibles incumprimentos. Igualmente, reclama avanzar na regulación dos grupos de interese (os coñecidos como lobbys) e aumentar o tipo de información que se ofrece sobre as axendas dos altos cargos, das que a Xunta só divulga os actos públicos pero non as reunións internas."En termos xerais, a valoración global dos sistemas de control interno pon de manifesto que na Administración autonómica existen medidas e realizáronse esforzos propios dun sistema de control interno e integridade institucional, pero que estas accións necesitan dun impulso para constituír un sistema consolidado, integrado cos procesos institucionais e suxeito a autoavaliación e mellora continua", conclúe Contas.
NOS_18531
A Fundación de Caixas de Aforro sinala que nestes 30 anos se multiplicaron por catro as actividades non declaradas
A Fundación das Caixas de Aforros (Funcas) fixo público un dato descoñecido até agora: A economía somerxida representa 24 por cento do Produto Interior Bruto do Estado español, o que implica que case unha cuarta parte da riqueza do Estado está á marxe do control do fisco. Segundo relatan os informativos da Crtvg, Funcas xa calculara outras veces o alcance do diñeiro B, mais nunca até agora fixera unha estimación tan alta. A economía somerxida representa 23,7 por cento do PIB entre os anos 2005 e 2008. Visto doutra maneira, dá emprego a 4 millóns de persoas. E é unha porcentaxe que non deixa de medrar. De feito, o estudo de Funcas sinala que nos últimos trinta anos se multiplicaron por catro as actividades non declaradas. E todo isto ten consecuencias. As propias persoas expertas advirten que a economía somerxida se pode converter nun lastre importante. Abonda un dato: na última década o Estado deixou de ingresar 31 mil millóns de euros por mor dos individuos defraudadores. Isto vén sendo un 5,6 do Produto Interior Bruto. É a mesma porcentaxe de déficit que ten prevista o Goberno para este ano.
PRAZA_19403
ENTREVISTA Ahmad é un carpinteiro sirio de 31 anos que chegou hai meses á Coruña dende os campos gregos. Aquí atopou unha familia pero segue á espera de ver recoñecido o seu dereito de asilo. "A xente está agardando a que o Goberno español tome decisións", denuncia. Vigo e Compostela reclamaron unha Europa aberta á acollida
Vigo e Compostela reclamaron unha Europa aberta á acollida Ahmad é sirio, ten 31 anos e vive na Coruña. Chegou hai uns meses á cidade, procedente dos campos de refuxiados gregos. Foi un afortunado, a este respecto, formando parte dese escaso milleiro de vítimas da guerra en Siria acollidas por España (a pesar de terse comprometido a recibir unhas 16 mil). Fora destinado á cidade herculina de forma provisional, como sucede noutros casos, pero nese breve espazo de tempo atopou un fogar na Coruña, comezando por Leticia (á que coñecera en Idomeni) e a súa familia (á nai de Leti chámalle "miña nai") e outras persoas. Un arraigo. "Non necesito o diñeiro que me ofrecían. O que máis necesito é sentir que que son un ser humano, necesito o contacto humano, iso é máis importante" Porén, dende o Ministerio indicáronlle que debía mudarse a Barcelona, onde lle garantían un lugar nunha vivenda e unha pequena axuda económica para sobrevivir. "Tiña os meus amigos aquí, e eles decidiron que tiña que marchar a Barcelona. Unha persoa en Madrid non pode decidir onde teño que ir eu. Non necesito o diñeiro que me ofrecían. O que máis necesito é sentir que que son un ser humano, necesito o contacto humano, iso é máis importante", destaca. Ademais, engade: "Non quero que me controlen a través do diñeiro. Agora estou fóra, son libre, podo dicir o que queira sobre as políticas da UE e sobre o Goberno español". Gústalle A Coruña. Gústalle "a paz" que ve nas súas rúas, gústalle ver á xente "paseando, facendo deporte, sorrindo, vivindo". "Non me vas crer, pero A Coruña recórdame á cidade de onde veño. E a xente tamén me recorda á xente que coñezo alí, á miña familia", di. "A xente aquí é cálida, moi diferente dos alemáns e das persoas doutros países de Europa. Sinto a cultura española moi próxima á miña e por iso aquí síntome eu mesmo. Son Ahmad, son Sirio, son árabe, e quero seguir séndoo, é importante para min: aínda que non teña nada téñome a min", di. Aquí colabora como voluntario con algunhas organizacións sociais. Tamén deu algunhas charlas sobre a situación do seu país e dos millóns de refuxiados e refuxiadas que, coma el, tiveron que fuxir. Ahmad necesita colaborar, necesita facer cousas. "Necesito usar as miñas mans", di. En Siria era carpinteiro, e como carpinteiro gañou a vida os meses que pasou en Turquía, antes de chegar a Grecia. Mesmo cando estaba nos campos de refuxiados (en Idomeni e Karamanlis) non deixou de traballar en ningún momento: facía de intérprete, ocupábase de recoller o lixo e mesmo axudou a construír unha pequena escola, tanto para nenos coma para adultos, na que se ensinaba inglés, matemáticas, historia..., e tamén unha biblioteca e un ximnasio. "Hai que formarse. Os campos de refuxiados son só un lugar provisional, pero nalgún momento terás que traballar ou ir a unha escola de verdade, e hai que estar preparado", explica. "Estás nun campo de refuxiados, pero tes que organizarte, tes que autoorganizarte; se o fas podes vivir un pouco mellor, podes ter o mellor campo de refuxiados". Foi alí, nos campos de refuxiados, onde gañou un alcume co que algunha xente se refería a el, smile maker (o creador de sorrisos), pola súa actitude positiva a pesar das adversidades, e a súa vontade inquebrantable de axudar os demais. Conta que quedou moi impresionado polo seu traballo cos nenos e nenas pequenas, pola forma en que reflectían nos seus debuxos a guerra e o camiño que percorreran como refuxiados e refuxiadas. Tamén pola obsesión do Daesh en educar dende moi pequenos aos rapaces e rapazas na súa ideoloxía ("están intentando controlar o que pensan os nenos e nenas. A min e a meu irmán deixábanos un pouco ao noso aire, facían a vista gorda, pero non aos máis pequenos"). Todas estas experiencias fixéronlle tomar a determinación de estudar nalgún momento Psicoloxía "para axudar os nenos e nenas de Siria cando remate a guerra". Os seus pais, aos que viu por última vez en novembro de 2015, seguen vivindo en Raqqa, ocupada dende hai anos polo Estado Islámico, que a converteu nunha sorte de capital. Tanto el coma o seu irmán (agora en Alemaña) marcharon, na procura dun futuro. "A miña familia está a salvo, pero nesa situación nunca estás completamente a salvo. Vivir sempre con medo non é vivir. A vida non é saír á rúa e estar mirando ao ceo por se hai un bombardeo. Ou estar pendente por se te detén o Daesh. Ou dicir o que eles che obriguen a dicir. Ou ter que presenciar execucións públicas", explica. "A única solución é parar a guerra, primeiro hai que parar a guerra. Pero hai moitos países con intereses, países que están facendo negocio en Siria, dende os Estados Unidos a Rusia" Como era a vida en Siria antes da guerra? "Vivíase ben. Tiñamos sanidade gratuíta, había paz. É certo que o Goberno non miraba moito para Raqqa, e non podíamos falar sobre o Presidente, pero viviamos en paz", di. Pregúntolle tamén se cre que as cousas mellorarán para o seu país, se hai algunha solución. "A única solución é parar a guerra, primeiro hai que parar a guerra. Pero hai moitos países con intereses, países que están facendo negocio en Siria, dende os Estados Unidos a Rusia", explica cunha certa tristeza. Tamén relata a dureza do percorrido que o levou de Raqqa a Idomeni, aínda que sen perder nunca o sorriso. Conta como cando chegou a Turquía non sabía o idioma e ofrecíase pola rúa a construír casas, con xestos: que nunha ocasión traballou durante varias semanas para unha persoa que, ao final, non lle pagou, e que cando quixo protestar ante as autoridades, ninguén lle fixo caso, dicíndolle que era "ilegal" e que non tiña dereito ningún. Relata tamén como ao seu irmán o Daesh lle quitou tres mil euros. Lembra como cruzaron o Mar Exeo, pagando mil euros nun barco ateigado de xente. Un como en Grecia sufriu varias malas experiencias, de persoas que buscaban aproveitarse dos refuxiados, cobrándolles moi por riba do prezo normal. O seu relato tráeme á cabeza a crónica que fixo Primo Levi (en A Tregua) da súa volta a Italia tras saír vivo de Auschwitz, un proceso que para centos de milleiros de refuxiados foi moi duro e durou meses: "Sentíame extenuado, non só fisicamente: como un atleta que estivo correndo durante horas enteiras, esgotando todas as súas reservas e chega á meta; e no momento en que, exhausto, déixase caer en terra, obrígano a porse de pé brutalmente, e a botarse a correr outra vez, na escuridade, cara a outra meta que non sabe a que distancia está". "Todos agardan: eu teño a sensación de estar todo o tempo agardando, tamén agarda a miña familia en Raqqa e os refuxiados nos campos" Ahmad séntese afortunado na Coruña, mais está aínda lonxe de ver regularizada a súa situación. Os trámites van moi lentos, todo vai moi lento. A pesar de que xa leva varios meses en España, en marzo terá unha entrevista para poder acceder á Tarxeta vermella, un documento oficial de identificación como solicitante de protección internacional que autoriza a unha persoa solicitante de asilo a permanecer en territorio español durante o período no que se decide a resolución da solicitude. Conta que o seu irmán chegou a Alemaña moito despois que el a España e que xa viu recoñecido o dereito de asilo. Pero el, de momento, agarda. "Todos agardan: eu teño a sensación de estar todo o tempo agardando, tamén agarda a miña familia en Raqqa e os refuxiados nos campos", di. O que conta recorda tamén ao que di a voz en off no inicio de Casablanca ("os afortunados, con cartos, influencias ou sorte, obtiñan visados para Lisboa, a antesala do Novo Mundo. Pero os outros agardaban en Casablanca... e agardaban... e agardaban... e agardaban..."). "Hai países moi pequenos -coma o Líbano- que acollen a millón e medio, en Grecia estabamos máis de 60 mil... E España só pode facerse cargo de mil, dos 16 mil que prometeu?" "A xente está agardando a que o Goberno español tome decisións", denuncia, enumerando a continuación unhas cifras que coñece moi ben: "Cinco millóns de persoas saíron de Siria, hai países moi pequenos -coma o Líbano- que acollen a millón e medio, en Grecia estabamos máis de 60 mil... E España só pode facerse cargo de mil, dos 16 mil que prometeu?", pregúntase. A guerra en Siria e a situación de millóns de refuxiados está a servir como medida (unha vez máis) da altura moral das sociedades europeas e do verdadeiro alcance práctico dos tantas veces invocados dereitos humanos. Hanna Arendt denunciou trala Segunda Guerra Mundial, nun momento no que centos de milleiros de refuxiados (algúns sen patria á que pertencer) vagaban polo continente á espera dun pasaporte, que "o mundo non atopou nada sagrado na abstracta nudez do ser humano". "Non son un refuxiado, son un ser humano" -reclama de forma parecida Ahmad- "E necesito ser tratado como tal".