ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
PRAZA_1283
Cada fin de mes Diego Giráldez sae tender as novas máis salientables (ou non) do mes. Velaquí as de maio.
Maio SEMANA 1 Monedero e a dimisión cursi A principios de maio, Juan Carlos Monedero despedíase da dirección de Podemos. Sería a causa un exceso de burocratización do partido? Monedero é máis de Esquilache e de camisas de-cuello-Mao. Iso é certo, é un romántico. Por iso, para tentar evitar sospeitas, escribiulle a Pablo Iglesias unha carta que foi publicada nun diario dixital. "Para mi amigo Pablo", titulábase. Unha carta cursi, como a dimisión dun profesor que, en calquera momento, atoparase nos libros de Ciencias Políticas para poder contarse a si mesmo. Invítame a pecar A última en marchar da sede de Génova sempre é a señora da limpeza. Cando todos rematan a xornada, ela, a media luz, espalla o Disiclín polos corredores. Desinfecta as fotocopiadoras. No peto da bata leva un pequeno transistor que usa para escoitar os faladoiros da radio. Aquela noite, Ignacio Escolar falaba dunha exclusiva do eldiario.es que desvelaba que Rosendo Naseiro declarara ante notario que o que mandaba na Caixa B do partido era Aznar. Hai poucas cousas que sorprendan menos que un extesoreiro do PP aparecendo de golpe. Máis tarde, ao pasar polo despacho do Presidente, no transistor da bata soaba Paquita la del Barrio: "Invítame a pecar/ quiero pecar contigo/ no me importa pecar/ si pecas tú conmigo". SEMANA 2 Reparto de inmigrantes A Unión Europea, ante o medo á entrada masiva de inmigrantes decidía que había que establecer cotas de chegada de persoas por países. Para ti, tantos. Ti recollerás tantos miles. Ti uns poucos menos. E así, como apoderándose do dereito da xente a ter a anguria que considere oportuna, repártense o marrón facendo das persoas gando e da Unión Europea un cortello descoidado. Mortos de mentira Á xente dálle igual que sexa primavera. Sempre morre Á xente dálle igual que sexa primavera. Sempre morre. Desta volta, decidiron dar o paso BB. King, María do Carme Kruckenberg ou Manuel (de Lole y Manuel)… Así é todo, é moi posible que todo sexa mentira, como o da primeira vez que o home pisou a lúa e retransmitiu en directo Jesús Hermida. Son mortos de mentira, deses que, queiras ou non, quedan de pé. SEMANA 3 Publicidade das Letras Gallegas A Xunta de Galicia dáballe publicidade do "Días de las Letras Gallegas" aos diarios sensatos. A "Periodista Digital" de Alfonso Rojo, por exemplo A Xunta de Galicia dáballe publicidade do "Días de las Letras Gallegas" aos diarios sensatos. A "Periodista Digital" de Alfonso Rojo, por exemplo. En troques, non vin o rostro de Filgueira Valverde pestanexando entre os banners dos medios que, durante o todo ano, publican en galego ata os puntos e as vírgulas. Aí non porque, parafraseando á Thatcher, "van seguir facéndoo aínda que non os axudemos". Unha de terroristas "Los presos de ETA quieren a Podemos en el gobierno". Este foi o titular que provocou atascos importantes nos retretes de media España. SEMANA 4 24 de maio Foi un domingo electoral distinto. A resaca da reflexión non pedía Espidifén, non estoupaba a testa nin había náuseas que che golperaran por sorpresa. Todo acontecía amodo, coma un polvo longo e aburrido, incluso. E á noite, logo de que as israelitas refrescaran a pantalla, cadaquén vivía ao seu xeito o tanto por cento escrutado. A uns agretábaselle a pel, a outros as ganas. O PP perdía poder territorial, o PSOE soñaba con pactar cos que ata hai pouco eran populistas. O BNG caía. EU quixo arrimarse ao cambio. Case ninguén fala de UPyD. A uns os ollos rebordábanlles auga de mar; a outros colirio para disimular ante as cámaras. Fútbol es fútbol Rafael Louzán abandonaba a Deputación de Pontevedra. Joder, que gran dianteiro perdemos. Durante o seu mandato botou máis quilos de herba artificial nos campos de fútbol da provincia que visitas tiveron os videos do "Obama Gallego". Botaremos de menos a Louzán, máis incluso que ao xefe de campaña de Sinaí Giménez. Subiu a marea En Compostela arrecende a mar e, por se fose pouco, o outro día escoitei a un futuro alcalde da Coruña falar galego nunha entrevista. Subiu a marea e a auga está lista para o baño. O dos cortes de dixestión a deshora era unha lenda urbana.
NOS_10809
A Xunta da Galiza pretende aprobar a concesión de explotación para a cadea de minas de litio e tantalio que queren implantar entre a serra do Cando e o monte Seixo sen a debida declaración de impacto ambiental. Unha fraude de lei, sinalan colectivos veciñais e medioambientais, que o BNG trasladou ao Parlamento da Galiza para solicitar que o proxecto se someta ao trámite de avaliación de impacto ambiental que exixe a lexislación.
Organizacións sociais e de defensa do territorio alertaron nos últimos meses do perigo ambiental do proxecto mineiro Alberta I, impulsado pola empresa Recursos Mineiros da Galiza, que afecta na súa fase inicial aos concellos de Beariz e Avión, mais que podería estenderse até os municipios de Forcarei, A Lama e Cercedo-Cotobade. O Instituto Xeolóxico e Mineiro de España e a Sociedade Galega de Historia Natural foron das primeiras en sinalar os riscos de afundimento pola proximidade de núcleos habitados e da formación de augas ácidas, declarando a necesidade de someter o proxecto ao trámite da avaliación de impacto ambiental e social. Na mesma liña, a rede galega de colectivos en contra da minaría destrutiva, Contraminacción, mais a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, Adega, presentaron nas últimas datas alegacións ante a Xefatura do Servizo de Enerxía e Minas e da Sección de Avaliación Ambiental para tratar de frear o que consideran un novo ataque medio ambiental da Xunta. Trámites ambientais Goberno galego e a operadora pretenden a aprobación das minas de litio na serra do Cando e no monte Seixo sen o necesario trámite de avaliación ambiental a pesar dos riscos asociados á radioactividade e contaminación por metais pesados. O proxecto, recalcan, afectaría zonas habitadas e produtivas das comarcas do Ribeiro, O Carballiño, Tabeirós-Terras de Montes e Pontevedra, en espazos de grande interese paisaxísticos e ambiental. Os promotores do xacemento pretenden valerse da fragmentación artificial do proxecto para sortear o trámite ambiental, manteñen desde Contraminacción, cando da memoria presentada pola empresa concesionaria se deduce "a intención de ampliar a explotación ao longo do tempo", unha práctica habitual das mineiras que a Xunta da Galiza vén permitindo de maneira ilegal, como tamén asegura Adega. "O Estudo de impacto ambiental aportado no informe de solicitude limítase a unha área reducida afectada, sen explicar como se vai desenvolver este proxecto máis amplo nin cales serán as zonas de explotación. Estamos ante un fraccionamento artificioso que supón unha fraude de lei que busca ocultar impactos ambientais moito máis extensos". Adega fala, ademais, dun proxecto "escandaloso" que de "furtar o trámite ambiental" abre a porta da vía xudicial, "tanto pola vía do contencioso-administrativo como pola penal, que non desbotamos". Garantías sociais A empresa descarta a avaliación de impacto ambiental malia que a lei galega exixe este requisito sempre que os proxectos mineiros se atopen a menos dun quilómetro de núcleos urbanos e poidan supoñer un risco para o progresivo afundimento dos terreos, mesmo a pesar dos "baleiros legais" que a normativa galega foi sumando desde a chegada do PP ao Goberno, denuncia a asociación ecoloxista. "Feixoo dinamitou a lexislación previa", que buscaba ser máis respectuosa co medio ambiente e máis xusta desde o punto de vista social, aseguran desde Adega. "A minaría non pode ser sustentábel, pero desde 2009, o que fixeron foi modificar a lei para fulminar calquera garantía social e abrir a porta a unha vaga de explotacións de minerais estratéxicos e tecnolóxicos cuxo modelo colonial ameaza os recursos da Galiza". Un modelo baseado no espolio, na depredación, que busca o máximo beneficio das empresas multinacionais a costa do deterioro do territorio, expuxo onte o deputado nacionalista Luís Bará na comisión de ordenamento do territorio do Parlamento de Galiza. O BNG presentou unha proposición non de lei para solicitar o sometemento do proxecto á declaración de impacto ambiental e garantir un control efectivo e rigoroso de todos recursos que se pretenden explotar e que contou co apoio do grupo socialista e o voto en contra do Partido Popular.
NOS_38692
Coas enquisas recollendo o ascenso de Gustavo Petro, que se sitúa nun empate técnico co aspirante conservador Rodolfo Hernández, a esquerda colombiana afronta a votación do domingo coa esperanza de fixar os alicerces para transformar un país marcado pola desigualdade e pola precariedade.
As eleccións deste domingo teñen unha característica nunca dada na historia colombiana: a posibilidade de decidir un Goberno de esquerda. O centro da axenda política deixou de ser o tema da violencia, do conflito armado. Grazas ao Proceso de Paz froito do acordo entre as FARC e o Goberno en 2016, o económico pasou a ser o máis importante tema de discusión política, situación que leva a albiscar a posibilidade dun Goberno alternativo progresista con políticas dirixidas a mellorar a situación socioeconómica da inmensa maioría da poboación. Petro opta a ser o primeiro presidente de esquerdas da historia de Colombia O económico converteuse tamén nun eixo de confrontación porque as elites non ven o posíbel Goberno do candidato Gustavo Petro -a presidente- e Francia Márquez -a vicepresidenta-, polo Pacto Histórico, como un problema político senón como a aparición dun poderoso inimigo capaz de iniciar un camiño de profunda transformación do modelo económico. Colombia ten fama no continente pola súa estabilidade económica, fortaleza baseada nunha política moi conservadora no social e no manexo das cifras macroeconómicas, envexa declarada de moitos Gobernos latinoamericanos. Desde os anos 30 do século pasado só houbo un ano, 1999, no que a economía tivo un medre negativo, o 4,3%. Fóra diso, Colombia viviu un crecemento estábel e continuo. Xunto con Sri Lanka son os dous únicos países cun conflito armado interno nas últimas décadas nos que -algo insólito- non caeu a economía durante o mesmo. Gustavo Petro supera 40% dos votos e disputará a segunda volta das presidenciais contra Rodolfo Hernández Segundo datos da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), Colombia ten un coeficiente Gini 0,54 -índice de referencia mundial máis usado para medir a desigualdade indo de cero (igualdade total) a 1 (desigualdade absoluta)- sendo o segundo país máis desigual de América Latina, superado unicamente polo Brasil. Non é conxuntural senón permanente durante décadas, algo corroborado tamén polas estatísticas nacionais ao constatar que 39% da poboación vive na pobreza e outro 31% é sumamente vulnerábel, estando moi lixeiramente por riba da liña de pobreza e a piques de caer nela: 70% da poboación ten, no mellor dos casos, unha vida de subsistencia. En 2019, antes da pandemia, o coeficiente Gini era de 0,53. En 2020, subiu a 0,54, arrastrou arredor de 3,6 millóns de persoas máis á pobreza, levou 5,5% da poboación á pobreza extrema e deixou 2,8 millóns de persoas sen poder cubrir as necesidades alimenticias básicas. Desigualdade multinivel A desigualdade maniféstase en todos os ámbitos da vida colombiana: na distribución da renda, na distribución do solo urbano e rural, na desigualdade de xénero, na discriminación racial e étnica, entre a cidade e o campo, entre centro e periferia. Amais de ser o país máis desigual da rexión máis desigual do planeta, como é América Latina, a tendencia é a empeorar. En Colombia, máis preocupante que a pobreza é o incremento continuado do empobrecemento e da desigualdade. A esquerda colombiana medra nas sondaxes, aínda que a Liga segue á cabeza O salario mínimo para este ano está fixado en 1.000.000 de pesos colombianos, equivalentes a 240 euros, complementado nalgúns casos cun subsidio de transporte de 117.000 pesos. Segundo as cifras do Ministerio de Traballo, 18,1 % dos ocupados teñen ingresos laborais entre 0,9 e 1,1 salarios mínimos; no 45,4 % son inferiores ao 90 % do mínimo e só un grupo inferior ao 30% están por riba. De referírmonos unicamente ás persoas ocupadas empregadas, 58,1% ganan un salario mínimo ou menos, o que se agravou nos últimos anos ao aumentar a porcentaxe de quen ten salarios inferiores ao mínimo. Colombia ante un posíbel cambio de rumbo nas urnas con Petro A "canasta básica", concepto utilizado amplamente en Latinoamérica para cuantificar os ingresos mínimos que necesita mensualmente unha familia, inclúe alimentos ou produtos de primeira necesidade, produtos e servizos relacionados coa saúde, a educación, a vestimenta, o transporte e o lecer, entre outros. Fixada este ano en 3.900.000 pesos para un grupo familiar de catro persoas, tendo en conta a clasificación do emprego segundo o nivel de ingresos descrita no parágrafo anterior, son moi poucas as familias que chegan a cubrir todas as necesidades básicas. Precariedade laboral Un dos problemas estruturais dos ocupados en Colombia é a precariedade laboral na que traballan, situándose á cabeza do mundo. Segundo datos da axencia pública de estatística, a taxa de emprego informal está no 61,3%. Se pensamos que o 60% da poboación que vive en pobreza multidimensional ou está en risco extremo de caer nela, a fotografía social colombiana reflicte un cadro de explotación exacerbada. Novo asasinato de líder labrega en Colombia Sendo a precariedade unha característica do mercado laboral, compre destacar circunstancias que afondan nas desigualdades. É o caso, por exemplo, do altísimo nivel de informalidade da poboación indíxena, onde acada a cota do 81%. Hai moitos indicadores non incluídos nesta fotografía social do país. Con todo, acho seren suficientes para concluír que o "paraíso" económico colombiano ten uns claros destinatarios: o conglomerado de latifundistas, empresarios e militares que compoñen a reducida elite gobernante acaparadora de beneficios e privilexios. Colombia, campión da desigualdade social, da precariedade laboral e da desprotección social é o exemplo perfecto do capitalismo coherente: opulencia da minoría económica, miseria da maioría social. Agresividade en contra da esquerda Cos datos aquí sinalados non é de estrañar, por tanto, o altísimo nivel de agresividade do sector dominante cara a un Pacto Histórico que propón outro modelo. Produce pánico a posibilidade de instaurar un sistema fiscal progresivo que poña fin a unha taxa impositiva tan absurdamente baixa nun país cunha desigualdade tan grande. Non menores son os calafríos da clase empresarial perante a intención petrista de eliminar moitas das desorbitadas exencións fiscais. Pánico, en definitiva, a unhas impostergábeis reformas estruturais que acaben coa concentración dos ingresos e da terra. Precisamente de aí nace o odio, do temor dun sector minoritario que pode perder moito en beneficio da maioría da poboación. Moncho G. Boán. Observador internacional nas eleccións de Colombia.
NOS_33868
Os seis axentes foron imputados en 2020 pola Xustiza estadounidense pola comisión dun ciberataque en Pensilvania tres anos atrás que tería ocasionado perdas por valor de 1.000 millóns de dólares. O Kremlin, pola súa parte, nega os feitos.
Dez millóns de dólares, que ao cambio son perto de 9,4 millóns de euros. Ese é o prezo que o Departamento de Estado dos EUA vén de ofrecer a quen teña información que permita capturar seis membros do servizo de Intelixencia militar das Forzas Armadas de Rusia. En concreto, a Casa Branca sinala estes seis nomes: Yuriy Sergeyevich Andrienko, Sergey Vladimirovich Detistov, Pavel Valeryevich Frolov, Anatoliy Sergeyevich Kovalev, Artem Valeryevich Ochichenko e Petr Nikolayevich Pliskin, a quen relaciona cunha "conspiración" que "utilizou malware destrutivo e levou a cabo outras accións prexudiciais", co obxectivo, afirman, de "beneficiar Rusia estratexicamente". Os científicos chineses perseguidos por "espías" exixen que os EUA rendan contas Trataríase dun ciberataque decorrido en xuño de 2017 que afectou un hospital de Pensilvania, unha empresa farmacéutica e "outras entidades privadas", unha acción que, segundo o Goberno de Joe Biden, tería ocasionado perdas por valor de "case 1.000 millóns de dólares". Os seis axentes rusos xa foron imputados por un xurado estadounidense en outubro de 2020 en relación a estes feitos. O Kremlin, pola súa parte, rexeitou as acusación vertidas sobre os seus axentes militares, sostendo que se trata dunha "campaña de rusofobia" no marco da actual guerra en Ucraína. Rusia fecha a billa do gas a Bulgaria e Polonia Noutra orde, a compañía enerxética rusa Gazprom anunciou esta cuarta feira a suspensión, a partir de hoxe, dos subministros de gas a Bulgaria e Polonia ante a súa negativa a efectuar o pagamento en rublos. Gazprom sinalou nun comunicado que Polonia e Bulgaria son países de tránsito e advertiu que, "en caso de extracción non autorizada de gas ruso dos volumes de tránsito cara a terceiros países, as subministracións para o tránsito reduciranse nese volume". Segundo datos do xornal The Financial Times, perto de 75% do gas de Bulgaria procedía en 2020 de Rusia; 55%, no caso polaco.
NOS_4832
O portal da coalición formada por Anova, IU, Espazo ecosocialista e Equo reserva unha lapela onde a cidadanía pode achegar preguntas online ou riscar naquelas cuestións que considera prioritarias para presentar "logo da chegada ao Parlamento"
A coalición Alternativa galega de esquerda presentou esta segunda feira unha web "centrada na participación cidadá" que leva activada desde a sexta, xornada en que as formacións políticas que concorren ás eleccións do 21 de outubro encetaron a campaña. Conta cun deseño onde as cores que priman son o azul e o vermello --de Anova e IU-- e unha cabeceira animada que vai alternando as facianas de Yolanda Díaz e Xosé Manuel Beiras, tamén de IU e Anova --da coalición fan parte tamén Espazo ecosocialista e Equo. Facendo un percorrido polas lapelas que compoñen o menú do portal, resérvase espazo para explicar como xurdiu esta coalición, o programa de goberno, as candidaturas, novas de imprensa e material multimedia, un calendario --que polo momento non está dispoñíbel-- e, finalmente, un convite á participación onde a cidadanía pode ben dirixir preguntas ou ben riscar naquelas cuestións que considera prioritarias para presentar "logo da chegada ao Parlamento galego". Parte a coalición de que conseguirán representación na Cámara. Xustamente neste sentido se pronunciou Beiras, quen dixo que os inquéritos están "manipulados desde sempre", e preferiu citar aqueles elaborados "polo PP e polo PSOE" que conceden "entre cinco e seis escanos" a AGE, que aqueloutros publicados por diferentes medios de comunicación que limitan a presencia de IU e Anova a un só escano. "Facemos o que dicimos"Segundo explicaron en conferencia de prensa Antón Sánchez, concelleiro en Bergondo, e César Santiso, concelleiro na Coruña, a intencionalidade da páxina vai ligada aos obxectivos da propia coalición: "rexeneraremos a política, incrementaremos a participación cidadá e a transparencia, porque temos que actuar diante do descrédito das institucións e dos políticos", sinalou Sánchez. Pola súa banda, Santiso acrecentou que a web vai "en consonancia co noso programa", asegurando que "a diferencia doutros partidos nós facemos o que dicimos". Referiuse o edil coruñés de IU á achega que fan dunha Lei de transparencia que permita á cidadanía "controlar a acción de goberno e da actividade institucional". No fondo do portal quen o desexe pode recibir por RSS as últimas novidades da campaña electoral desenvolvida, por separado, por Anova e Izquierda unida.
NOS_39793
Aproximadamente a mediados do mes de xaneiro a maxistrada do Xulgado de Instrución nº 1 de Lugo, Pilar de Lara, saberá se o Tribunal Supremo acepta que permaneza na súa praza ou se, como ratificou o Consello Xeral do Poder Xudicial, debe abandonala após ser sancionada.
En novembro de 2018 o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) expedientou á titular do Xulgado de Instrución nº 1 de Lugo, a maxistrada Pilar de Lara, acusándoa, por unha banda, da "desatención ou retrasos inxustificados na instrución de causas penais" e, pola outra, da "adopción de decisións que, con manifesto abuso procesal, xeran ficticios incrementos de volume de traballo". A sanción, de sete meses e un día sen emprego nin salario, implicaría a perda do seu destino. "A causa iníciase por unha actuación do servizo de Inspección do Poder Xudicial, que informa dunha evolución negativa dos casos instruídos no xulgado, afirmando que en dous anos o número non varía", informa o avogado de Pilar de Lara, Agustín Azparren, en declaracións a Nós Diario. Tras agotar a vía administrativa a defensa da maxistrada optou por recorrir ante o Tribunal Supremo, que deberá decidir este mes se a maxistrada mantén de xeito cautelar a súa praza ou se a debe acatar a decisión do CXPX. "O caso é bastante excepcional e, aínda que os precedentes sinalan que é difícil que se conceda, penso que hai posibilidades de que se acepte a suspensión cautelar", informa o letrado da defensa. "O normal sería que De Lara seguise desempeñando o seu cargo até o momento da resolución, que pode tardar até un ano. De non ser así, se o Supremo deixase a sanción sen efecto nun ano, as consecuencias serían irreversíbeis, xa que a maxistrada tería abandonado a súa praza", engade Azparren. A xuíza fíxose coñecida por instruír macrocausas nas que investigou a corrupción política, como a 'Operación Pokemon' ou o caso 'Garañón'. Tamén por investigar unha rede de trata con fines de explotación sexual que implicaba a axentes da policía ou persoal funcionarial. A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.
PRAZA_1515
Marcos Maceira, presidente d'A Mesa, fai balance da súa presenza no Consello dos Dereitos Humanos das Nacións Unidas, onde representantes de Estados e de diversas ONG coñeceron de primeira man a difícil situación da lingua galega.
"Foi algo histórico; a primeira vez no que se trata o tema do galego na ONU". Así se expresa Marcos Maceira, presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, poucos minutos antes de coller o avión que o trae de volta a Galicia desde Xenebra. Alí, xunto con representantes doutras entidades da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) no Estado español, volveu denunciar o xoves ante o Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas a discriminación "sistémica e institucionalizada" e os ataques sufridos polo idioma propio e os seus falantes. "Sorprende que a discriminación do galego se debata na ONU pero non no Estado nin polo Goberno que debería ser quen reaccionase" Logo da presentación en xaneiro dun relatorio onde se concretaban as vulneracións dos dereitos humanos "polo simple feito de utilizar" unha lingua propia no seu territorio, as Nacións Unidas avaliaron a reacción de España ás queixas no marco da segunda Revisión Periódica Universal sobre o respecto dos dereitos humanos. "Contrasta e sorprende que a discriminación do galego se debata na ONU pero non no Estado e por parte do Goberno central, que debería ser quen reaccionase para que estas cousas non ocorresen". Refírese á cantidade de exemplos discriminatorios cos galegofalantes en Galicia e que se incluíron no informe presentado ante as Nacións Unidas. "Persoal da propia ONU e representantes dos diversos Estados alí presentes achegáronse a nós interesándose polo tema, intentando coñecer detalles e sorprendidos, nalgúns casos, por que se tivesen que facer esas denuncias", relata Maceiras, que destaca o sorprendente do caso. Mentres outros membros da diplomacia se preocupan pola situación, a embaixadora española, Ana María Menéndez Pérez, non fixo unha soa referencia aos dereitos lingüísticos na súa resposta ás intervencións das entidades sociais e dos Estados membros. Á marxe do que o Executivo inclúa no seu informe, a representante limitouse a defender a acción gobernamental ante a crise económica ou polémicas normativas como a Lei Mordaza e a asegurar que "a Constitución española recoñece a liberdade ante a lei a todas as persoas sen discriminación por relixión, sexo, raza, opinión ou calquera outra condición". Nin unha palabra da morea de casos discriminatorios relacionados con falantes de galego, catalán, éuscaro, asturiano ou aragonés. A embaixadora do Estado non fixo referencia ningunha á situación lingüística malia o informe presentado por ELEN "Xa da outra vez que se presentou o informe de ELEN o Estado non fixera mención ningunha, malia que tiña o texto diante e toda a información ao sue dispor", lamenta Maceiras, que cre que o que agora falta é que, ademais de denunciar en organismos internacionais, tamén desde Galicia a xente se decate da discriminación do idioma e "se dea pulo" á reivindicación para "lograr que o galego se normalice cada vez máis". "Todo dependerá do impulso social", asegura. Agora queda a resolución sobre as recomendacións da ONU para que España actúe en diferentes ámbitos. Maceiras non é tan optimista con accións contundentes, máis aló das advertencias de palabra ou das reivindicacións de entidades sociais ou países. "Non parece posible que un Estado vaia moito máis aló contra o Goberno central", di. Non obstante, o presidente d'A Mesa cre que "visualizar o problema e a situación do galego en institucións e salas tan solemnes" como a do pasado xoves non é máis que positivo. "Agora no país tamén temos que tomar nota", remata. A ELEN solicita á UE que "abra un procedemento de infracción contra España por violar normas comunitarias contra a discriminación" ELEN si que irá máis aló. Considera esta "discriminación" contra as linguas oficiais diferentes do castelán, así como contra o aragonés e o asturiano, "completamente inaceptable e debe cesar de maneira inmediata", polo que instou o Consello dos Dereitos Humanos da ONU, co apoio dos Estados membros, a "tomar medidas útiles para garantir o cesamento da discriminación lingüística contra os falantes de idiomas autóctonos en territorios baixo soberanía española". Ademais, solicita á UE que "abra un procedemento de infracción contra España por violar as normas comunitarias contra a discriminación incluída na Carta de Dereitos Fundamentais, a Directiva sobre Igualdade Racial, así como outras medidas".
NOS_35950
Cos libros das pequenas defuntas Ledicia Costas abría un mundo que lle deparou moitos éxitos. A presenza desenfadada da morte e do macabro en obras dirixidas á xente moza supuñan un ton novo a unhas temáticas que foran moitas veces esquivadas ou tratadas dentro do convencional.
Vampira de biblioteca ten un aire nesa liña, aínda que incorpora tamén as súas propias novidades. Así, e aínda que non é a primeira vez que a nosa literatura fala de vampiros, e nin sequera a figura do "vampiro de libros" (que chucha tinta no canto de sangue) é completamente orixinal, o certo é que a autora consegue darlle o seu ton persoal a uns ambientes aos que parece terlles moi collidas as medidas. Vampira de biblioteca / Ledicia Costas / Xerais / 2020 / 152 páxinas / 12,50 euros papel / 5,80 euros epub Vampira de biblioteca comeza apostando por implicar esas lectoras mozas na historia, cunha introdución participativa na que se lles advirte do valor que fai falta para entrar nela. Un truco que pode acadar unha forte corrente de empatía ao outro lado das páxinas, moi reforzada pola expresividade xuvenil e irreverente que Ledicia Costas sabe dar aos seus personaxes e que é, sen dúbida, do mellor do libro. Eleonora (Leo) é unha vampira intolerante ao sangue que vive na biblioteca da Universidade de Coimbra. Alí comanda unha especie de batallón de morcegos encargados de acabar cos bichos que comen papel e estragan os libros vellos. Todo moi divertido até que aparece unha couza cunha caveira que parece capaz de resistir os seus ataques e facerse co lugar. É entón cando a protagonista e un par dos seus morcegos deciden saír ao exterior para buscar unha solución.Unha trama ben orixinal, no mellor estilo da autora. Como puntos negativos se cadra poidamos falar do pouco partido que se saca á marabillosa habilidade dos vampiros de libros, capaces de absorber, non só a tinta, senón o contido destes. Tamén podemos citar a forma na que aparece a cuestión da tecnoloxía (videoxogos, telemóbeis, redes sociais...), moi preto de caer nalgún dos tópicos máis manidos e baleiros da literatura infantil sobre ese outro mundo, cada vez máis presente entre os seus lectores. Existe, porén, unha certa evolución sobre os límites do uso que se lle dá a eses novos leceres e ferramentas, xunto á descuberta da súa utilidade. Tamén podemos escoitar o punto de vista dos protagonistas mozos ao respecto, algo ben pouco habitual cada vez que se tratan estes temas. Alén destes detalles, unha novela ben fiada e sen dúbida divertida, que ademais ten tempo para explorar o papel das persoas maiores na sociedade e a importancia da aprendizaxe constante para enfrontar os problemas.
NOS_57284
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, descarta o fechamento do ambulatorio malia que a plataforma veciñal desta zona de Marín denunciara que recibira esa ameaza. Foi un dos motivos polos que comezaron as protestas públicas para garantir a atención sanitaria nos lugares de Seixo, Santomé, O Campo e Ardán.
O conflito xerado arredor da posíbel desaparición do centro de saúde de Seixo, en Marín, -pois a veciñanza viña asegurando que o Sergas fixera esa ameaza- chegou esta cuarta feira ao Parlamento, onde o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña garantiu "a continuidade asistencial" nesta instalación sanitaria que da servizo á poboación de Santomé, Ardán, Seixo e O Campo. Malia que o representante da Xunta acusou o deputado do BNG Paulo Ríos de crear polémica ao levar o asunto da atención primaria nestas zonas á Cámara. "Vostedes poden seguir alimentando polémicas artificiais, mais a poboación comprobará quen di a verdade", afirmou García Comesaña. "Vostedes manipulan", dixo, para continuar: "Non hai ningunha intención de fechar este centro de saúde". No entanto, a plataforma veciñal creada para protexer o equipamento si afirmara que existía unha ameaza sobre o mesmo, polo que após o compromiso do responsábel do Sergas semella que a mobilización cidadá tivo efecto. Cómpre lembras que hai só uns días arredor de 3.500 persoas, segundo cifras da organización, percorreron varias rúas do concello de Marín para exixir que se cubran as prazas que quedarán baleiras en agosto por dúas xubilacións e non desapareza o ambulatorio do rural, pois implicaría maiores desprazamentos para a veciñanza. O colectivo chegou a pedir "compromisos claros e por escrito á Xunta para cubrir todas as prazas do centro de saúde de Seixo e garantir unha asistencia sanitaria digna nas parroquias, que evite o desmantelamento do consultorio". Garantías para as prazas de médicos A este respecto, o titular de Sanidade asegurou que vai seguir a "asistencia". "Este centro dispón de dúas prazas de Medicina Familiar e Comunitaria, que non se contempla amortizar e que seguirán prestando servizo asistencial", afirmou. No entanto, destacou que ante a escaseza de profesionais para cubrir a xubilación dun doutor -a outra é dunha enfermeira, pero o conselleiro non aludiu á mesma- "o Sergas procurará alternativas administrativas que poidan cubrir esa ausencia, mentres non se poda efectuar a cobertura con estabilidade".Na mesma comparecencia, o representante do Goberno galego defendeu todo o procedemento vinculado á apertura dun expediente ao xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín, Javier Castrillo.
NOS_36179
A pandemia puxo en xaque a toda a sociedade e os eventos tiveron que adaptarse ás esixentes medidas de control de capacidade, de hixiene e desinfección e de distancia de seguridade, o que supuxo un incremento de custos e incerteza. Os festivais de poesía, xa de por si con grandes apuros, víronse na obriga de adiar os programas de 2020 ou de incrementar os esforzos. Cun horizonte máis esperanzador, analizamos como serán os festivais após a pandemia, concretamente o Poemagosto, o do Condado, o Alguén que respira!, o Entreverbas e o Festival de Poesía Guitirica.
A poesía é unha arma ateigada de futuro, unha fórmula coa que analizar o mundo, propor unha análise e, quizais, mudalo. Neste sentido, xa son moitas as persoas que inciden na boa saúde que está a vivir a poesía no noso país, co agromo de novas voces rompedoras e a consolidación doutras que xa viñan apuntando forte nos últimos anos. Froito desta eclosión poética, na Galiza tamén nacen festivais poéticos que toman o pulso aos procesos creativos e ás temáticas, amais de cumprir un papel normalizador da lingua e axudar ao espallamento. Os festivais despuntaron forte nos últimos anos, coincidindo tamén cun interese da cidadanía que é máis consciente do moito que a poesía pode achegar ao mundo que habitamos. Moitos dos festivais que experimentaran un gran crecemento e profesionalización tiveron que frear a súa marcha pola Covid-19, e tomar novos camiños: algúns decidiron adiar o evento e outros continuaron adiante aínda que adaptándose aos protocolos estabelecidos polas autoridades sanitarias. Mais, que queda este 2021? Como encaran os festivais o presente e o futuro inmediato? Baixaron os apoios por parte das institucións públicas e privadas? É posíbel crer na poesía actualmente? O Poemagosto A vila ourensá de Allariz ten desde hai oito anos un festival de poesía referente a nivel internacional, o Poemagosto, evento que condensa poesía galega e do ámbito da lusofonía, e que tamén ten a música como referente. Desde a organización, Carlos Da Aira salienta que a próxima edición, que decorrerá na primeira semana de outubro, se fará seguindo a liña do pasado ano, "cando tivemos que reducir os actos a un só día, trasladarnos para o espazo dos Xardíns de Allariz e limitar a capacidade". A edición de 2020 serviu como unha demostración de que a cultura é segura e, malia que valoraran cancelala, "finalmente optamos por continuar, posto que en caso contrario suporía practicamente a morte". Persoas do talle de Antón Reixa, Andrea Nunes Brións, Moncho Iglesias López, Baldo Ramos, Charo Lopes, Raquel Lima, Sofía Castañón e Abdul Hadi Sadoun achegáronse até Allariz para recitar versos alternados coa música de grupos como Son Trío e Terra Morena, un formato moi atractivo que "de seguro repetiremos este ano". Desde o Poemagosto móstranse marabillados polo apoio do público desde o primeiro momento, que foi medrando de forma exponencial. "Nós non cobramos, mais o pasado ano puxemos unha entrada voluntaria a cambio dunha camiseta e practicamente todas as persoas asistentes colaboraron", manifestan. Ese apoio do público contraponse, como era de agardar, coa merma de recursos económicos por parte das administracións públicas, cunha baixada do apoio por parte do Concello de Allariz e da Fundación Vicente Risco, e tamén dun sector privado moi azoutado tras a Covid-19 co fechamento de moitos negocios. O colectivo que organiza o Poemagosto comezará a xestionar o programa para a vindeira edición nestes meses, "sobre todo porque coa inestabilidade actual non podemos planificar nada a longo prazo nin comprometer as axendas das poetas", apunta Da Aira, quen fai fincapé na necesidade que existe actualmente de crear unha rede galega de festivais que permita compartir contactos e, ao tempo, economizar recursos na busca dunha maior unión a prol da cultura. "O que non pode ser é que veñan poetas internacionais a cidades como A Coruña ou Vigo e que as vilas pequenas sempre xoguemos nunha segunda división", finaliza o poeta. O inicio do Festival de Poesía Guitirica O Festival de Poesía Guitirica fai a primeira edición este ano os días 12 e 13 de xuño, organizado polo colectivo Nova Poesía Guitirica (NPG), coa colaboración do Concello de Guitiriz e doutras entidades públicas e privadas, como a Deputación de Lugo, a Asociación Cultural Xermolos, Os Vilares lareira de soños, Escola de música de Guitiriz, Banda da UNED Sénior da Coruña, IES Díaz Castro de Guitiriz e a Asociación de hostaleiros De Bares. Segundo apuntan desde a organización "pretendemos que sexa un festival de toda a sociedade chairega coa participación de entidades sociais e culturais entendido como unha homenaxe anual ao noso poeta Xosé María Díaz Castro". O festival viría a ser a culminación dun camiño no que a NPG leva traballando seis anos co impulso da poesía desde a base. A idea era comezar o pasado ano pero coa pandemia decidiron aprazalo e desenvolver o festival en liña "Enrede versos", que contou coa participación de setenta poetas e máis de 35.000 visualizacións nas redes sociais. Presentacións de libros, recitais poéticos ou música serán algunhas das actividades que levarán a cabo neste festival no que se presta moita atención á poesía de base, que estará presente a través de colectivos que apostan por este formato que xermola directamente da sociedade, caso de "Nómades do verso", "Versos de area", "Irmandade Luso Galaica", "In Nave Civitas Lugrís", ou "Moraima A grafía da nación". Festival de poesía do Condado Se pensamos nun dos festivais máis consolidados e antigos da Galiza, posibelmente nos veña á cabeza o do Condado, fundado no ano 1981 pola Sociedade Cultural e Desportiva do Condado (SCD Condado). Tal e como lembra Marga Do Val nun artigo escrito na revista Luzes, adicado a Xela Arias, "a asociación nacera para situármonos na estratexia política clandestina, no asociacionismo cultural da época, contra o franquismo e na reivindicación do propio". Así, a SCD Condado proba os primeiros carteis en galego que anuncian encontros de fútbol, revitaliza cultura e asociacionismo, restaura as mañas de solidariedade, e dinamiza a creación da Xunta de Veciños do Condado, fundamental na loita ecoloxista da época. O festival chegou con ese mesmo obxectivo reivindicativo, co afán de normalizar o uso da lingua galega e visibilizar a poesía como arma social, "porque cumpría levala ao palco das festas, afastala do seu distanciamento máis intelectual e situala entre o pobo, na praza". O encontro converteuse nun motor para producir, xuntando un número importante de poetas que recitaban e con cuxos versos se editaba unha publicación moi coidada. Xela Arias, Antón Avilés de Taramancos, Manuel María, Pura e Dora Vázquez, Ana Romaní, Bernardino Graña, Luz Pozo Garza ou Margarita Ledo foron algunhas destas voces. Noela Vázquez, da directiva, lembra que "quando a meiados de abril de 2020 decidimos adiar a ediçom número 34 levavamos já vários meses trabalhando na mesma. A tristeza foi inmensa. Mas nom só vimos como tinhamos que adiar o festival senom que o resto de atividades culturais que organizamos ao redor do ano viam-se reduzidas a praticamente a zero. Nisto contribuiu o concelho de Salvaterra do Minho, que ao contrário que outras localidades do país, nom apostou pola cultura". O festival afronta un futuro incerto, pois afirman que "com total seguridade nom haverá umha ediçom do Festival como até agora o conhecemos até 2022, mas sim que queremos organizar algo com outro formato, com uma capacidade reduzida". Así mesmo, tamén é posíbel que esta edición se realice noutro concello, e se a situación sanitaria o permite, a idea é organizar unha proposta que combine música e poesía e dedicarlla a Xela Arias, homenaxeada nas Letras Galegas e que participou en varias ocasións no festival. A actividade do encontro é practicamente autoxestionada e "os ingressos por subsídios só som umha parte pequena do nosso orçamento. Maioritariamente as despesas do festival som cobertas com o trabalho do balcom e com as achegas das e dos pequenos colaboradores por meio de publicidade. Afortunamente o apoio social nunca nos faltou, mas a nível de apoio institucional os subsídios vam sempre para os mesmos festivais". En canto á próxima edición, esta terá lugar o 2 e o 3 de setembro de 2022 e "queremos resarcir-nos e voltar a ofertar um festival de alto nível, como levamos fazendo sempre, ajustando-o às nossas capacidades económicas". Entreverbas, rural e poesía Moi en consonancia coa reflexión que se está dando sobre o rural na actualidade xurdiu hai cinco anos o Festival Entreverbas, que arroupa na actualidade Xanela Iniciativa Cultural. Tal e como destaca un dos seus coordinadores, Xosé Manuel Xespi, o Entreverbas naceu coa vocación de "achegar á nosa contorna expresións culturais que non é posíbel gozar nas aldeas". A proposta do Entreverbas, que se desenvolve a finais de setembro, sempre busca que a cultura forme parte do rural porque tamén nas vilas máis pequenas se necesita da poesía e das demais expresións culturais. O Entreverbas, no que xa recitaron poetas coma Míriam Ferradáns, Arancha Nogueira, Rosalía Fernández Rial, Xesús Franco, Susana Aríns, Iria Collazo, Emma Pedreira ou Antía Otero, é "unha festa da palabra no rural", e tenta unir a poesía con outras disciplinas artísticas. Sobre o futuro, Xespi móstrase positivo porque "é evidente que a pandemia revolucionouno todo e no eido cultural o golpe foi importante, mais o show debe continuar e neste caso toca adaptarse ás circunstancias do mellor modo pero sen renunciar a programar". A pasada edición realizouse en plena crise da Covid-19, e as persoas da organización preparárona "a conciencia, respectando as medidas de seguridade e cun resultado incríbel, posibelmente o Entreverbas máis entrañábel e emotivo até agora", salienta Xespi, para deixar claro que "a nosa aposta segue intacta e afrontaremos a sétima edición coa ilusión de sempre e coa confianza de que os apoios institucionais e as colaboracións privadas non nos han fallar". Alguén que respira! Adaptándose ás circunstancias estabelecidas na nova normalidade, o festival Alguén que respira! realizou xa en marzo a primeira das catro xornadas poéticas que distribuirá ao longo do ano coincidindo cos solsticios e equinoccios. Antón Lopo lembra que "a experiencia do ano 2020 foi suficiente para comprobar que resultaba moi complexo facer tres ou catro días seguidos de programación con estes protocolos". Por iso propuxeron estender o festival ao longo do ano, unha distribución que lles permite ter unha previsión maior e non constrinxir o festival. Para o futuro inmediato, o obxectivo é saír con experiencia suficiente para poder organizar no ano 2022 un festival aínda máis ambicioso. E de cara a esta edición, os programas están xa fechados, aínda que se a situación se normaliza é posíbel recuperar algunhas accións, como o percorrido por distintos espazos do teatro. O festival non notou a baixada dos apoios, sobre todo do Concello de Santiago e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta da Galiza, que se debe a que "nos consolidamos dunha maneira rápida nos programas culturais da cidade e do país e logramos crear un grupo de seareiros moi numeroso e moi fiel". Trobeirxs do século XXI Os festivais poéticos, os slams ou os directos nas redes sociais son algunhas das fórmulas polas que estamos descubrindo un monte de novas voces que empregan a poesía como forma de expresión, coa que evocar sensacións, explicar o mundo ou cun cariz máis social. O Festival Feito á man, organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella, é unha referencia no verán musical de Compostela. Precisamente a modo de homenaxe a esta forma de recitar e como un escaparate do que se fai no país, a editora Chan da Pólvora publicou Trobeirxs do século XXI, un percorrido polos poemas que non só se escriben, e no que atopamos moitísimos homes e mulleres que, como se di na contracapa, "morderon o aire para facelo poesía". Con estilos moi diversos, esta obra destaca pola súa capacidade para propornos algunhas das voces que están dando que falar ou que o farán nun futuro inmediato, amais de tomar o pulso á creación poética galega. GaZeta, poesía de base Conscientes da importancia que ten a poesía desde os ámbitos máis pequenos, xorde GaZeta, unha iniciativa que agroma no seo das agrupacións poéticas cidadás de base. Tal e como estabelecen as fundadoras no seu sitio web, "a poesía non é pequena, podes percorrela de norte a sur e de leste a oeste sen acadar xamais os seus confíns, porén habita entre nós cunha potencialidade desaproveitada en termos de aportación efectiva na achega de enriquecemento". Actualmente contan con tres números que se poden ler en pdf na web e no que participan poetas de base de toda a comunidade, nun afán de recompilar esforzos e de levar a poesía á ágora pública. E é que, como se estabelece no manifesto de intencións, "a poesía non reside nun ámbito sublime e elevado desde o que alumea en abstracto. Reside no cotián das mulleres e homes de aquí e de agora, ou non é poesía no sentido pleno".
PRAZA_719
Sindicatos, profesionais e asociacións de pacientes alertas da redución de 40 a 12 das doenzas que lles poderán ser detectadas aos neonatos e neonatas. A Xunta nin confirma nin desmente a medida, que acabaría cun dos programas máis avanzados do Estado.
O pasado mes de novembro o Ministerio de Sanidade publicou no BOE a orde que define a carteira básica de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde, que garante unicamente a detección precoz en neonatos e neonatas de sete enfermidades. Na actualidade Galicia conta cunha das unidades de cribado neonatal máis avanzadas do Estado e cun dos programas máis completos de España, capaz de detectar ata 40 trastornos. Profesionais, asociacións de enfermos e de pacientes e distintos protocolos sinalan a importancia do cribado neonatal para a saúde, pola importancia da detección inmediata de certos males. Porén, nas últimas semanas sindicatos coma CESM-Omega e CIG-Saúde teñen alertado de que a Xunta podería estar barallando a posibilidade de recortar o programa de cribado neonatal, eliminado probas coma a análise de urina e reducindo de 40 a 12 o número de enfermidades detectables. O Real Decreto Lei 16/2012, ademais de acabar co acceso universal á sanidade, estableceu a separación da asistencia sanitaria en carteira común básica (sen repagamento), carteira común complementaria (con repagamento de parte do custe), carteira común accesoria (con repagamento da totalidade do custe) e carteira complementaria autonómica (na que cada comunidade autónoma decide qué financiar). A orde aprobada no BOE o pasado mes de novembro só garante probas para sete enfermidades: Hipotiroidismo conxénito, Fenilcetonuria, Fibrose cística, Deficiencia de acil-coenzima A-deshidroxenasa de cadea media, Deficiencia de 3-hidroxi-acil-coenzima A-deshidroxenasa de cadea longa, Acidemia glutárica tipo I e Anemia falciforme, podendo cada comunidade autónoma incorporar probas para a detección doutras enfermidades. O SERGAS, segundo os sindicatos, só accedería a sumar cinco máis, deixando fóra 28 que ata agora si se viñan detectando precozmente. "Isto conlevará que estes nenos e nenas sexan diagnosticados cando teñen xa secuelas irreversibles, cunha calidade de vida peor para elas e eles e as súas familias, e cun peor prognóstico vital" CIG-Saúde denuncia que a falta dun estudo que facilite a identificación precoz destas enfermidades (galactosemia, acidurias, entre outras), fará que os e as pacientes teñan que presentar síntomas e os e as pediatras sospeitar o diagnóstico para serlle solicitada a proba correspondente. Para o sindicato "isto conlevará que estes nenos e nenas sexan diagnosticados cando teñen xa secuelas irreversibles, cunha calidade de vida peor para elas e eles e as súas familias, e cun peor prognóstico vital". Tamén se amosou crítico co posible recorte o xefe do Servizo de Pediatría do Hospital de Santiago (CHUS), José María Martinón, que declarou a Diario Médico que se dirixira á Consellaría de Sanidade para expresar a súa "inquietude". E, así mesmo, a Asociación Fenilcetonuria e Outros Trastornos do Metabolismo de Galicia (Asfega) expresou a súa preocupación. De igual xeito, hai dúas semanas o profesor José Ramón Alonso, antigo xefe da Sección de Metabolopatías do CHUS e un dos promotores deste programa, xubilado dende hai dous anos, lanzou unha petición en Change.org demandando o mantemento da detección precoz e que non se recorte en prevención e saúde. A petición, que suma xa 14 mil sinaturas, destaca que "eliminar os análises de urina e limitar as enfermidades a detectar" terá "non só custes en saúde, senón tamén suporá un aumento do gasto" pois "se as enfermidades non se detectan a tempo e se recortan os custes para previr enfermidades futuras é lóxico entender que as non identificadas a tempo pasarán factura a longo prazo. Suporía aumentar o gasto en paliar enfermidades que deberan ter sido detectadas previamente". "Se as enfermidades non se detectan a tempo e se recortan os custes para previr enfermidades futuras, as non identificadas a tempo pasarán factura a longo prazo" O Programa Galego é "peculiar e heterodoxo pero de eficiencia demostrada", destaca o propio José Ramón Alonso, pois son poucos os programas que empregan a urina, obtida simultaneamente coa mostra de sangue, para a detección precoz. Isto non encarece o proceso e permite asegurar e mesmo confirmar o diagnóstico. Ademais, certas enfermidade é máis fácil detectalas a través da urina que do sangue. "Non prive os galegos dos dereitos adquiridos, con esforzo e dedicación, que non se deron no resto de España e deféndaos nos Foros e Reunións do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, nin confirmou nin desmentiu que o seu Goberno vai adoptar esta medida, limitándose a sinalar que o SERGAS "fará todas as probas que sinale a evidencia científica", empregando un argumento (o do criterio médico) semellante ao que empregou para xustificar que non se lles ofrecese o tratamento con Sovaldi a todos os enfermos e enfermas de Hepatite C. Con todo, Núñez Feijoo si que deixou caer que a non realización dalgunha das probas que hoxe si se levan a cabo "nada ten que ver cos custes, cos aforros o con maiores gastos". En 2012 o goberno de Castela-A Mancha levou a cabo un recorte semellante nestas probas, unha medida que contrasta coa mellora da prevención anunciada nas últimas semanas polo goberno de Madrid.
NOS_7829
A coalición independentista EH Bildu afirmou esta cuarta feira que non aceptarán "que Madrid decida o noso ensino". Desde o PP afirman que volverían re-editar o pacto co PSE, se ambos os dous partidos conseguisen "suficientes" escanos para tal fin; cousa pouco probábel segundo as enquisas.
Após as declaracións do ministro de Educación español, José Ignacion Wert, nas que afirmaba no Congreso que o seu "interese é españolizar aos alumnos cataláns", EH Bildu afirmou que o sistema educativo que propoñen "debe facer fronte a un afán centralizador e uniformador do Estado español". A coalición independentista debullou a súa proposta educativa na que subliña que "é o ensino o que garantir a supervivencia do noso pobo e da nosa lingua". Así pois, enviou unha mensaxe clara a Madrid: "Non aceptaremos que Madrid decida que, como e en que lingua deben ser ensinados os nosos fillos e fillas". EH Bildu volveu salientar que apostan pola independencia e reivindicou "a plena soberanía política e económica". O PP, con Antonio Basagoiti á cabeza, repetiu esta cuarta feira que non é viábel a opción independentista. Dixo Basagoiti que "na Euskadi independente habería labazadas para cobrar a pensión". O candidato do PP tamén se referiu á posibilidade de re-editar o pacto de goberno, que rachou antes do verán, co PSE, sempre e cando a suma de ambas as dúas organizacións dese un resultado suficiente; cousa pouco probábel segundo as enquisas. Esta declaración teria sido recibida no PSE como unha especie de abrazo do oso. Modelo policial Estas eleccións autonómicas teñen varios elementos novidosos. Dunha banda, son as primeiras após a decisión de ETA de abandonar a loita armada; e doutra, a opción independentista preséntase aos comicios con certa "normalidade", malia que Arnaldo Otegui segue preso. No entanto, a súa mensaxe tamén se fixo presente mediante o libro-entrevista qye saiu á luz o pasado 28 de setembro. Ambos os dous elementos, e a suma da conmemoración da morte do siareiro do Athletic, Íñigo Cabacas como consecuencia dun pelotazo policial, centrou o discurso de varios dos candidatos arredor do modelo policial. Onte Urkullu afirmou que fai falla converter á Ertzaintza noutro tipo de policía, "preventiva, próxima e ao pé da rúa, transparente e visíbel". Os principais partidos políticos introduciron nos seus programas as súas propostas sobre "seguridade cidadá", malia que o achega máis novidosa chegou da man de EH Bildu, que denominou 'Liberdades Cidadás' ao que hoxe en día é interior. Julen Arzuaga é a persoa designada polos independentistas para o devandito posto, no caso de que cheguen ao Goberno. Nunha recente entrevista, Arzuaga afirmou que enfrontarán "unha intensa reforma da Ertzaintza para convertela nunha policía de servizo, non represiva". Enquisa diaria GARA e NAIZ publican diariamente unha enquisa sobre a intención de voto. Na última delas o PNV mantense á cabeza con 27 escanos do total de 75 que compoñen o Parlamento, séguelle EH Bildu con 23, o PSE con 13 e o PP con 10. Izquierda Unida - Ezker Anitza e UPyD completarían a Cámara cun escano cada un.
NOS_3134
O presidente da Xunta opta por dar 'carpetazo' á polémica da presenza do galego nos sinais das autoestradas afirmando que o delegado do goberno "xa aclarou suficientemente" o acontecido
Alberto Núñez Feijóo, considera que o idioma galego, cooficial e o propio do país que preside, é válido nos sinais de tráfico. Considera iso si, que habería un problema se na sinalización non está presente o español. O presidente de Galiza, así pois, manifesta grande preocupación pola presenza do español na sinaléctica. E faino nunha semana na que a nova, unha máis, foi a discriminación ao galego. Multas da Garda Civil a autoestradas por ter en galego e inglés o sinal que obriga a parar para pagar o importe do traxecto. Até medio cento de sancións cursadas por non estar presente o español. Feijóo manifestou tras o Consello da Xunta que este tema "foi aclarado suficientemente polo delegado do goberno español en Galiza". E engadiu: "o galego é valido nos sinais de tráfico. De haber un problema, é que non estexa o castelán". Ferrol, o naval e a folga xeral A preguntas dos xornalistas, Feijóo tamén se referiu á convocatoria dunha folga comarcal en Ferrol para o vindeiro 12 de xuño. O presidente da Xunta afirmou que o goberno autonómico está a facer o que pode por solucionar o problema do naval na comarca, se ben lembrou que Navantia depende do Estado. "O departamento comercial de Navantia ten que conseguir pedidos", manifestou, unha frase que xa ten deitado en máis dunha ocasión cando se lle inquire sobre a situación do naval en Ferrol. Para Blesa, nada. Para Aznar, respecto Tamén a preguntas dos xornalistas, Feijóo tivo que falar de Blesa e de Aznar. Sobre o banqueiro e os pagos que o PP lle fixo, o presidente da Xunta optou por un escueto "non teño ningunha información". A insistencias dos xornalistas, reiterou: "é imprudente que de a miña opinión". No que atinxe a José María Aznar, o mandatario autonómico optou por facer un paralelismo entre este inicio de lexislatura de Maríano Rajoy e o primeiro mandato de Aznar (1996-2000). "Atá o ecuador da lexislatura, [o goberno de Aznar] era moi impopular. E despois cambiou, porque esas medidas que adoptou ao principio deron os frutos. E no 2000 conqueriu a maioría absoluta". Tamén indicou Feijóo que el era un admirador dos 8 anos de goberno de Aznar. Pescanova Pescanova foi outra das cuestións sobre as que se pronunciou o presidente a preguntas dos xornalistas- Feijóo afirmou valorar "que Sousa diga que o seu obxectivo principal é que Pescanova non se liquide". Afirmou, aliás, que "a Xunta segue comprometida con Pescanova, dentro dos intereses xerais de Galiza"
NOS_16075
Os fechamentos de pedra son un microhábitat para aves e insectos, mais están a desaparecer.
A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), xunto coa Universidade da Coruña (UDC), realizará mañá unha xornada no Monte da Fraga (A Coruña) para coñecer o patrimonio cultural e ambiental galego que representan os valados en pedra seca. Adega alerta da "bomba biolóxica" que supoñen as granxas de visóns e volve exixir o seu feche cautelar Este elemento paisaxístico está declarado Patrimonio cultural inmaterial da humanidade pola Unesco e, ademais de ter grande importancia etnográfica, é fundamental para a conservación da biodiversidade. O responsábel da actividade, Ramsés Pérez, explica a Nós Diario que o obxectivo é facer unha chamada de atención sobre os "beneficios ecosistémicos que achegan ao medio". Segundo este experto, os valados "non deixan de ser un microhábitat máis para as aves e os insectos para acubillarse e, no caso de especies da fauna non miúda, para buscar as súas presas". Pon como exemplo o carrizo (Troglodytes troglodytes), un paxaro que se alimenta buscando entre as pedras dos valados. "Lumes no Courel Nunca Máis": Adega chama a concentrarse en apoio á veciñanza dos concellos afectados A elección do Monte da Fraga vén como consecuencia da recuperación dun espazo natural caracterizado polas súas árbores autóctonas que conta cun valado no linde que se tentará recuperar. "Tal e como está situado poderán empregalo especies como os lagartos", apunta Pérez. Valados en perigo Ramsés Pérez sinala que estes elementos foron desaparecendo co tempo. "Só hai que ver imaxes dos anos 50 e ver as de agora. Semella que esteamos noutro país". Ademais, cre que, en parte, é consecuencia da "imaxe negativa" que tivo o minifundio e a tendencia actual a industrializar a agricultura con procesos de concentración parcelaria "que se levaron por diante multitude de valados e mudaron a paisaxe por outra que non é a tradicional galega". Esta realidade contrasta coas actuacións que veñen realizando desde Adega "con proxectos de recuperación destes elementos da paisaxe". Adega urxe clausurar a balsa de lodos vermellos de Alcoa na Mariña Alén da importancia que ten para a fauna, os valados "serven de retención de augas e mais de cortaventos", explica Ramsés Pérez a este xornal. En consonancia, estes beneficios desaparecen cando xa non están, "moitas veces pola invasión forestal dos eucaliptos". Por último, unha das causas da súa desaparición é o abandono do rural por parte da poboación. "Ao non manterse por non realizar a función para o que foron construídos rematan por desaparecer co tempo", explica.
PRAZA_1578
O "centralismo democrático" élle moi útil ao equipo de confianza de Pablo Iglesias como instrumento de control do partido pero é un retorno á Restauración cun baixísimo nivel democrático.
Confirmado: O sistema de elección de candidatos de Podemos para o Congreso dos Deputados vaise facer cunha listaxe única de 350 nomes. Os candidatos máis votados escollerán a provincia pola que se presentan e o posto no que irán. Hai algúns mecanismos de corrección. O máis importante é que, en previsión de pactos preelectorais, algunhas circunscricións poden estar suxeitas a restricións; é dicir, se Podemos pacta con algún outro partido en Galicia, pode restrinxir os postos dispoñibles nas listas das nosas provincias. O sistema de corrección para evitar que non se cumpra a paridade entre homes e mulleres candidatos é bastante complexo e diáfano. Búscanse listas cremalleira igualitarias. En cambio, o cunerismo só se prevén cun difuso parágrafo de ambigua interpretación: "En caso de graves desproporciones en términos de vínculos territoriales de los electos de una papeleta con el territorio respectivo, la Comisión Electoral podrá adoptar medidas correctivas en favor del principio de filiación territorial". Que quere dicir desproporción grave? Se o candidatable por Ourense é de Córdoba considérase inapropiado. Cal é o criterio? A distancia, a diferenza climática, os apelidos? Un extremeño que se apelide Estévez pode ser candidato pola Coruña? Unha asturiana, por Lugo porque total é só cruzar unha ponte? Ao cordobés daráselle mellor o verao ourensán ca a un de Cantabria, seguro. O "centralismo democrático" élle moi útil ao equipo de confianza de Pablo Iglesias como instrumento de control do partido pero é un retorno á Restauración cun baixísimo nivel democrático. Os cuneros eran aqueles deputados próximos aos partidos que se repartían o poder nos tempos dos Borbóns finiseculares do XIX, que se presentaban por calquera sitio e polo tanto "pasaban" do territorio que "representaban". É certo que hoxe moitos deputados galegos non manteñen un alto perfil nas súas provincias pero si hai que destacar o vínculo con Galicia de figuras como Laura Seara ou Celso Delgado (as deputadas do Bloque non fai falta incluílas, son as "nosas" deputadas), vínculo que se pode rastrexar nas súas inciativas parlamentarias. Que fará o neocunerismo de Podemos? Sendo bempensantes, ese "reservado" para as coaligazóns pode ser o cerne da estratexia de Iglesias nas nacións (ou nacionalidades históricas) para compatibilizar o control sobre o seu grupo parlamentario con alianzas estratéxicas en territorios con feito diferencial. Contar con ese deseño do campo da negociación é básico para definir o alcance e epicentro do ilusionante proxecto dunha candidatura única galega con cabeza e corazón na propia Galicia. Xa non hai autoengano posible. Como explicou Anxo Quintana no acto de constitución da asociación Somos Nós, "non vai ser en Madrid onde se deseñe o Estado plurinacional". Alá dáselles mellor fórmulas tan sensibles á diversidade como unha lista única, uniforme, para todo o Estado.
NOS_13074
A empresa de autocares Ojea despediu un traballador após se candidatar a delegado pola central sindical nacionalista e persegue a quen votou por el.
"As cousas inda se rexen como há corenta anos. Con patróns que non saben que a ditadura franquista acabou, porque estes patróns representan a continuidade do franquismo coas máis rancias actitudes do vello caciquismo, tan presente en tantos lugares de Galiza". Desta maneira denunciou a CIG un caso de represión antisindical na empresa autocares Ojea, en Ponteareas. A dirección decidiu despedir o pasado mes de maio a un traballador alegando "perda de confianza", despois de que este se candidatase polo sindicato nacionalista nas eleccións sindicais realizadas na empresa. O cesamento produciuse após unha vaga de acoso laboral que atinxiu ao despedido e mais a outro compañeiro, quen tamén se presentara pola CIG en anteriores comicios. Unha vez celebradas as últimas eleccións, nas que saíu elixido o candidato proposto pola UGT e nas que a CIG logrou o apoio dun terzo do plantel de traballadores. A partir dese momento, segundo denuncia a central nacionalista, a empresa propiedade dos irmáns Carlos e Manuel Pino González, emprendeu unha pescuda para saber que empregados apoiaran a candidatura da CIG. Unha vez identificados estes empregados eran retirados das liñas regulares que xestiona a empresa, o que lles retiraba o dereito a percibiren un plus salarial, do 20%. "Desta maneira, redúcenlles as nóminas para que se cansen e opten por abandonaren eles propios a empresa", denuncian. Aliás, estes traballadores son obrigados a retornaren a casa unha vez concluída a súa función de condutores de autobuses escolares, cando o resto do plantel ten de regresar aos talleres. Con esta medida discriminatoria, priváselles do abono do xantar, mermando novamente as súas retribucións. A reclamación das dietas pendentes e outra a respeito da antigüidade foron, anteriormente, obxecto de dúas denuncias xudiciais contra a empresa. Desta volta, o sindicato demanda a nulidade do despedimento. O xuízo terá lugar o próximo 25 de agosto nos xulgados de Vigo. Diante desta situación de "represión e abusos", a CIG xa realizou tres concentracións diante das dependencias da empresa. "Autocares Ojea é un exemplo de empresas nas que a profesionalidade do persoal mídese polo nivel de obediencia e acatamento das ideas do patróns. Onde dezasete anos de desempeño laboral impecábel pouco valen cando o traballador ou traballadora non se somete ás ideas do patrón", explican. Explotación Segundo o sindicato, os propietarios de Ojea están "afeitos a caciquear cos traballadores e traballadoras e a coartar a súa liberdade para exercer os seus dereitos sindicais". O último exemplo diso é o feito de obrigaren ao plantel a facer traballos de ampliación da nave da empresa. Unhas dependencias que xa foran construídas anos atrás polo propio persoal, malia estaren contratados como condutores de autobús.
PRAZA_9410
"Marcho cansa e farta", afirma Montserrat Lama, cuxa dimisión se produce pouco despois de que o PP de Xinzo elixise como candidato á alcaldía ao avalado por Baltar e mais por Antonio Pérez, o ex-rexedor condenado a oito anos e medio de inhabilitación
Segunda dimisión de peso no PP de Ourense en menos dun mes, cunha xénese e unha historia dispar pero cun destino que semella o mesmo: Ciudadanos. Poucas semanas despois de que o que era concelleiro clave e voceiro do único goberno dos populares nas cidades galegas, José Araújo, dimitise de todos os seus cargos como paso previo ao seu ingreso no partido de Albert Rivera, a voceira do goberno de José Manuel Baltar na Deputación ourensá, Montserrat Lama, vén de facer un anuncio case idéntico."Marcho cansa e farta", afirma Lama, cuxa dimisión se produce pouco despois de que o PP de Xinzo elixise como candidato á alcaldía ao avalado por Baltar e mais por Antonio Pérez, o ex-rexedor condenado a oito anos e medio de inhabilitaciónLama, ata agora responsable da área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación e tamén titular de Comunicación e Relacións Institucionais no goberno do PP en Xinzo de Limia ratificou este mércores a súa dimisión de todos os cargos institucionais e mais a súa baixa no partido. Tanto Baltar como o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, confirmou, foron xa informados dunha decisión que, afirma, levaba meses a "meditar". "Marcho cansa e farta", asegurou porque, afirma, traballou "para que esta situación non tivese que suceder", pero "o PP e mais eu deixamos de compartir principios e valores".A marcha de Lama de todos os seus cargos chega pouco despois de que a Xunta Local do PP de Xinzo elixise como candidato do partido á alcaldía a Antonio Fernández Veiga, que xa fora concelleiro, co aberto aval de Baltar e mais do ex-rexedor Antonio Pérez, condenado en marzo do pasado ano a oito anos e medio de inhabilitación por un delito continuado de prevaricación administrativa en contratos de persoal municipal entre 2011 e 2013.Naquel procedemento Montse Lama acudiu a declarar como testemuña e, segundo transcendeu, cargos do partido consideran a súa declaración como clave na condena. "En moitos momentos sentinme completamente soa, completamente desamparada polo partido", afirmou no anuncio da súa dimisión. Estivo a vivir, acusa, "circunstancias moi desagradables, nalgunhas ocasións deshumanizadas". Mesmo "incomprensibles para calquera persoa con dous dedos de fronte", dixo quen aspiraba á candidatura á alcaldía polo PP de Xinzo."Sentinme completamente soa e desamparada polo partido", afirma Lama, quen admite ofertas de CiudadanosLama, vestindo unha camisola co lema no me rindo, advertiu no propio momento da súa dimisión de que "isto non é un paso atrás", senón "á fronte" porque "non me rendo, son moi valente e moi traballadora". Neste sentido, ao ser cuestionada ao respecto a xa ex-militante popular admite da existencia de ofertas de Ciudadanos que, previsiblemente, poderían pasar polo cartel electoral que o PP lle negou na vila limiá.Baltar, clave na elección do novo candidato en Xinzo, evitou as críticas á deputada e concelleira dimisionaria. Segundo recolle La Región, o presidente da Deputación limítase a "agradecer" o traballo de Lama e a "respectar a súa decisión" dentro da "liberdade de elección". O PP, pola súa banda, di, seguirá "gobernando" ata "unhas eleccións nas que volveremos obter a maioría absoluta" no ente provincial, augurou.
NOS_3159
A Mesa pede o "cesamento inmediato" do xefe territorial da Coruña polo que considera que é "un desprezo manifesto á lingua galega".
O xefe territorial da Coruña da Consellería de Cultura e Educación, Indalecio Cabana, remite felicitacións oficiais de Nadal e co carimbo da Xunta redactadas en perfecto español e con topónimos deturpados. "Algo insólito por parte dun goberno que ten a obriga de cumprir as leis e dunha consellaría que ademais ten a responsabilidade da política lingüística", manifestan desde a Mesa pola Normalización Lingüística (MNL). Segundo o seu presidente, Marcos Maceira, non se pode consentir o desprezo manifesto á lingua galega nun alto responsábel da Consellaría de Educación. "Se a falta de respecto é grave en calquera cargo público da Xunta, éo máis na persoa que ten responsabilidade directa na política lingüística". A MNL pide o cesamento inmediato deste cargo. "Unha persoa que despreza o galego e as súas obrigas de tal maneira e que ademais se permite acompañar iso cos versos dunha persoa cun compromiso sen tacha coa lingua galega como Manuel María, non pode seguir un minuto máis no seu cargo" insitíu o presidente da entidade en defensa da lingua galega. Maceira puxo a felicitación como exemplo da política lingüística en Galiza e na provincia da Coruña, "onde o galego está excluído da inmensa maioría das aulas de educación infantil das cidades".
PRAZA_19016
No acto, que terá lugar no Paraninfo da USC, a autora lerá o discurso titulado Voces termando da paisaxe galega, ao que lle dará resposta Fina Casalderrey. Converterase na sexta muller que ocupará unha cadeira na RAG.
Marilar Aleixandre converterase oficialmente en membro de número da Real Academia Galega o vindeiro sábado 14 de xaneiro. O acto terá lugar a partir das 12 horas no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Xeografía e Historia), institución na que é catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais. Lerá o discurso titulado Voces termando da paisaxe galega, ao que lle dará resposta Fina Casalderrey A nova académica, escritora, bióloga, profesora e investigadora, ocupará a cadeira que quedou vacante tras o pasamento de Xosé Neira Vilas. Na sesión de recepción lerá o discurso titulado Voces termando da paisaxe galega, ao que lle dará resposta a membro de número da RAG Fina Casalderrey. Aleixandre converterase así na sexta muller con cadeira na RAG, uníndose a Xohana Torres, Luz Pozo Garza, Rosario Álvarez, Margarita Ledo e Fina Casalderrey Aleixandre converterase así na sexta muller con cadeira na RAG, uníndose a Xohana Torres, Luz Pozo Garza, Rosario Álvarez, Margarita Ledo e Fina Casalderrey. Coa incorporación de Chus Pato, xa aprobada e que terá lugar ao longo de 2017, serán sete, aínda en clara maioría con respecto aos 21 homes membros de número. Montse Dopico entrevistouna o pasado mes de marzo, cando se fixo oficial a proposta da candidatura para o ingreso. "É moi importante que haxa máis mulleres nas institucións, mais tamén que haxa mulleres feministas", destacaba nese momento Marilar Aleixandre, reivindicando ademais que "As ciencias son parte da cultura galega. A cultura non é só a música popular, a literatura ou a historia". Feminismo, ciencia, literatura Marilar Aleixandre, nome literario de María Pilar Jiménez Aleixandre, naceu en 1947 en Madrid e fíxose galega a mediados dos anos 70 cando chegou a Galicia para empezar a traballar como catedrática de ensino secundario en Vigo. Como antes fixera na súa cidade natal, axiña participou activamente na resistencia clandestina ao franquismo: foi líder do movemento veciñal; participou na fundación da primeira asociación feminista galega (a Asociación de Mulleres do Calvario) e despois da AGM. Como bióloga e experta en educación, Marilar Aleixandre foi pioneira no uso do galego como lingua vehicular no ensino das ciencias: foi coautora dos dous primeiros textos de ciencias naturais en galego (Xilbarbeira, editado polos autores e autoras en 1982, e Setestrelo, editado por Xerais en 1988); do primeiro Vocabulario das Ciencias en galego, en colaboración co Instituto da Lingua Galega (1991), e doutros moitos materiais, itinerarios, artigos e ensaios sobre o ensino das ciencias. "É moi importante que haxa máis mulleres nas institucións, mais tamén que haxa mulleres feministas", destacaba en marzo en entrevista con Praza Na actualidade, a súa liña de investigación é a argumentación, o uso de probas e o pensamento crítico no ensino das ciencias, mediante análise do discurso. Neste campo é autora dalgúns dos artigos máis citados internacionalmente sobre o tema. É, de feito, considerada unha das figuras máis relevantes da investigación en didática das ciencias en Europa. En relación co seu labor docente e investigador, é integrante, entre outros, dos consellos de redacción das dúas revistas de meirande índice de impacto na didácticas das ciencias, Science Education e JRST. "As ciencias son parte da cultura galega. A cultura non é só a música popular, a literatura ou a historia", reivindica O seu debut literario produciuse en 1989 con A formiga coxa, o primeiro dos vinte libros que asinou ata o momento de literatura infantil e xuvenil (LIX). Neste xénero colleitou premios como o Merlín (1994) e da Crítica (1995) por A expedición do Pacífico; o Lazarillo (1999) e o Lecturas de literatura xuvenil (2001) por A banda sen futuro; ou o Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil (2008) e a inclusión do seu nome na prestixiosa listaxe White Ravens da Biblioteca de Munich (2009) por A cabeza de Medusa. Na narrativa para adultos mereceu o Premio Álvaro Cunqueiro (1998) por A compañía clandestina de contrapublicidade; e o Premio Xerais de 2001 e o Premio San Clemente 2002 por Teoría do caos. Como poeta publicou títulos como Catálogo de velenos (Premio Esquío 1998), Mudanzas (Premio de Poesía Caixanova en 2006) ou Desescribindo, saído do prelo o pasado mes de decembro. Ademais, é tradutora ao galego de A caza do Carbairán de Lewis Carroll ou Harry Potter e a pedra filosofal de J.K. Rowling.
NOS_15052
Máis un semanario nos quioscos e na nosa loxa. Analizamos como pode afectar ao noso país a multa de Bruxelas a España por incumprir o déficit, entrevistamos a portavoz nacional do BNG ás portas do 25X, debullamos o control policial sobre as redes sociais ou botamos un ollo aos mellores festivais. Á venda xa na nosa loxa.
O Estado español gastou en 2015 un total de 10.000 millóns máis do que pactara coa UE, que a vindeira semana dará a coñecer a contía dunha multa que non é máis que unha das secuelas do incumprimento. A factura a pagar, en forma de suspensión dos fondos europeos, acabará afectando Galiza. Tratamos este tema en 'Os fondos europeos, en risco real'. Tratamos a vixilancia e control policial na reportaxe a dupla páxina 'A rede, caladoiro de pesca policial'. Ao fío das operacións despregadas polo Ministerio do Interior contra internautas pola publicación de contidos presuntamente apoloxéticos do terrorismo e incitadores á violencia, preguntámonos: estamos a ser observadas colectivamente? A investigación e desenvolvemento é un tema habitual á hora de falar de investimentos do Estado. O fundamental do I+D non son só os postos de traballo que se poidan crear, senón a súa calidade e a utilidade que poden ter para o servizo público os avanzos que se conquisten. Innovar, avanzar e emprender son palabras moi promovidas, mais necesitan unha base detrás: o coñecemento e a divulgación. 'Investigación, desenvolvemento e divulgación camiñan da man'. Ana Pontón Entrevistamos Ana Pontón. Ten unha convicción imposíbel de abalar: sen un nacionalismo forte non é posíbel o cambio que Galiza precisa. Prevé un Día da Patria 2016 tan masivo como animoso e transmite entusiasmo e moita determinación por mudar as cousas. "Temos que pasar á ofensiva ideolóxica sobre os valores de progreso que representa o nacionalismo e sobre a alternativa de cambio real que representa o BNG". 'Unha ameaza chamada CETA'. O acordo comercial entre a UE e o Canadá é un anticipo do TTIP cos EUA. A cláusula ISDS incluída no acordo co Canadá permitirá ás grandes corporacións transnacionais forzar a súa entrada nos servizos públicos, mesmo no caso de non se asinar o TTIP. 'Turquía, do golpe á purga de Estado'. O fracaso da asonada militar do 15 de xullo foi seguido do agravamento da política autoritaria do presidente Erdogan. O país otomán fica inmerso nunha crise política e institucional. Ao histórico confronto entre laicos e islamistas, engádese a disputa entre dúas fraccións do islamismo. A liderada por Erdogan e o movemento Hizmet do imán Fethullah Gulen. A profunda transformación do rural galego, dun sistema totalmente agrario a outro rural con novos retos, problemas e necesidades. Hai quen anima a falar de rurais e non en singular para nos referir a esa parte do país (75% do territorio, 25% da poboación) indispensábel para construír presente e futuro de Galiza. Tratámolo en 'O agromar dun outro rural galego'. E en Análise preguntámonos sobre se imos a un estancamento da economía europea. Desde a Mariña Lucense até a Costa da Morte, con paradas en Compostela, Boimorto, Ponteceso... Se este verán estás na Galiza non podes deixar escapar este marabilloso percorrido pola nosa xeografía. Achegámosche unha listaxe onde recollemos unha pequena mostra dos festivais que se celebrarán esta temporada estival para que goces ao máximo do teu tempo de lecer. 'Os mellores festivais do verán están en Galiza'. Felipe Senén cóntanos do 'sedutor encanto do Monte Pindo'. Na contracapa animamos a ler o 'Alba de Gloria' no Pico Sacro, e na selfie entrevista falamos con Óscar Otero, presidente da Asociación de deseñadores galegos (DAG). E, ademais, as achegas de Pilar García Negro e Xavier Queipo. E Pepe Barro, que se pregunta sobre a nosa cor. Andrea Maceiras, gañadora do Jules Verne 2015, escribe sobre a obra que lle deu o premio. "De todos os tempos da vida o máis difícil de apreixar é en palabras de William Wordsworth aquel do esplendor na herba, da gloria nas flores". Na crítica de cinema, Andrés Castro fálanos de 'O conto da princesa Kaguya (Kaguya-hime no Monogatari)'. Na crítica de libros, Mario Regueira cóntanos de 'De camiños, viaxeiros e camiñantes', de Santiago Lamas e Alfonso Mato. "Un ensaio máis divulgativo que académico, que se le con rapidez e gusto e que deixa un monte de curiosidades e reflexións na mente das persoas lectoras". Olalla Ledo fálanos de Chano Piñeiro e Alberte Ansede volve debruzarse sobre a obra de Manuel María.
NOS_9190
O barómetro do CIS reflicte que a sociedade non acredita na melloría económica que defenden os gobernos do Partido Popular.
O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) publicou esta segunda feira (4 de agosto) o seu barómetro de xullo. Neste senso, os resultados deitados polo estudo reflicten que a maior parte da sociedade no Estado español coida "mala" (40,3%) ou "moi mala" (41,2%) a situación económica e sinala que esta continuará "igual" (42,6%) dentro dun ano. Os dados coñecidos reflicten que o discurso de recuperación económica difundido desde o Partido Popular non se corresponde coa percepción social. Máis do 40% das persoas enquisadas din que a situación económica é mala e que seguirá igual dentro dun ano Neste senso, segundo as persoas enquisadas polo CIS, as principais preocupacións continúan a ser o desemprego (54,8%), a corrupción e a fraude (15,7%) e os políticos ou a política en xeral (10%), especialmente neste último caso entre as faixas de idade máis novas (18-24 anos) onde esta preocupación se sitúa 9 puntos por enriba da media. A respeito da xestión política que o Partido Popular está a facer no conxunto do Estado español, a sociedade tíldaa de "moi mala" (39,8%) ou "mala" (27,2%). Eleccións ao Parlamento español De se produciren unhas eleccións ás Cortes españolas neste momento, a intención de voto directa rexistrada polo CIS reflicte a queda dos apoios ao bipartidismo español e a irrupción de Podemos. O PP recollería só o 12,8% dos votos mentres Podemos se situaría só un punto por debaixo (11,9%) e a algo máis dun por riba do PSOE (10,6). A abstención e a bolsa de persoas indecisas continúa a ser maioritaria entre o eleitorado Izquierda Unida baixaría tamén situándose no 6,2% e forzas como Amaiur (0,6) e o BNG (0,2) manteríanse nos resultados obtidos noutras edicións do barómetro. Se cruzamos as variábeis de intención de voto e simpatía para debruzármonos na estimación de voto Podemos converteríase na terceira forza do Parlamento español cun 13,1%, superado por PP (16,1) e PSOE (14,6). Cumpre salientar que a recollida de dados para a elaboración do barómetro se situou antes do cambio na secretaría xeral do PSOE, actualmente en mans de Pedro Sánchez, un feito que podería facer mudar --aínda que levemente-- os resultados desta forza. Así as cousas, a maior porcentaxe de intención de voto e voto estimado recae máis unha vez na abstención e na bolsa de persoas indecisas. Asó p 19,2% d@s enquisad@s di que non votaría e o 18,7% que aínda non sabe se o fará ou a quen. Na estimación do voto o 25,4% das persoas enquisadas polo CIS di que non votaría a ningunha das forzas políticas que se presentan ás eleccións.
PRAZA_15328
O austericidio e o seu despotismo prantexan a submisión da razón á vontade, cando a razón indica que este camiño non leva a bo porto. En xogo están practicamente todos os avances e cotas de benestar acadadas nas últimas décadas. E máis ca iso. A involución é patente. Poderán quitárnolo todo, pero a bo seguro que o queremos de volta en canto perdamos o medo.
"Somos aqueles que resisten. Os que erguen a bandeira cando cae. Resistencia! Non cedades xamáis!". Jean-Luch Mèlenchon, Front de Gauche. Sería inxenuo acreditar na tese dos que cren que non concedemos dabondo. Coido que foi máis do asumible e do imaxinado cando estalara fai un lustro o malfadado proceso de aceleración histórica e a arroiada contra-sistémica dos que descubriron que non é imprescindible e ata vai saíndo a conta! incumprir a promesa democrática, concibida en orixe coma o poder do, dende e para o pobo. Cometen prevaricación, estenden miseria, destrúen dereitos básicos escachando pactos tácitos que custaron guerras sanguentas e fannos crer, por riba, que o merecemos valéndose dun estado de estulticia inducida. Aproveitando a desesperanza procuran aplicar a carraxe do seu Programa Máximo. A xestación da dinámica afonda na ofensiva ideolóxica dos 70´s, a cal prefiguraba a fin da historia para un mundo feliz e unipolar de pax americana A xestación da dinámica afonda na ofensiva ideolóxica dos 70´s, a cal prefiguraba a fin da historia para un mundo feliz e unipolar de pax americana. Mais o Crash de 2008 -o credit crunch e no que derivou até hoxe nas economías de casino- é un fito e o fío condutor que determina o paradigma emerxente, onde xa non abondaría contemplar esta aberración: chegaron á conclusión de que é un atranco obxectivo do que haberá que desprenderse por necesidade imperiosa -e imperial- trocando a democracia aparente na súa ausencia; como capítulo último e aldraxante dunha obra inacabada na que os actores divídense entre oligarcas que supervisan, controlan e dirixen e unha cidadanía libre para escoller libremente nunha concepción da liberdade limitada e confrontada salvaxemente coa liberalidade e os principios liberais primixenios que alumearon algúns dos máis senlleiros procesos de cambio e progreso social. Como vieiro inapelable das perversas novas regras do xogo da modernidade líquida, e onde a vaidade sen freo adoita escoller lucro no canto da dignidade da vida humana, cobizando a súa desorientación coma seres suxeito de dereitos individuais e colectivos. Tanto o poder económico -facendo o agosto como nunca antes- coma o desnortado panorama que nos presenta a maioría da decrépita política institucionalizada furtan e desvirtúan a democracia nunha regresión tolerada polas masas Ata somos libres para escoller representantes versallescos que unicamente ollan aos problemas de fronte -baixo presión popular- cando se consuman suicidios hipotecarios nunha paisaxe-Dickens á que asistimos atónitos. Tamén libres para levar nas costas os paus da represión e a tortura policial. Torturadores que serán indultados sen obxección e coa complicidade das estruturas máis altas do aparello estatal e a comprensión, cando non aplauso, dos herdeiros directos dos que tradicionalmente louvaron ás cadeas. O que debera empregarse excepcionalmente coma unha graza convértese nunha práctica habitual pola que o poder executivo interfire no xudicial ata que Montesquieu chore bágoas de sangue. Onde para calquera circunstancia reducen a resposta a privatizalo todo sabendo, por comparación, que finalmente sairá mais caro á comunidade. Na liña da concentración do poder limitan o acceso aos recursos e aos servizos. Isto, en moitas circunstancias, non só remata sendo ineficiente economicamente: socávase o cerne da democracia. E nesas están, obrigándonos a pelexar polo evidente denunciando a frialdade e a falla de sensibilidade mínima esixible coa que actúan. Uns e outros. Tanto o poder económico -facendo o agosto como nunca antes- coma o desnortado panorama que nos presenta a maioría da decrépita política institucionalizada, incapaz de rexenerarse e de ventilar evidenciándose atada de pés e mans. Furtan e desvirtúan a democracia nunha regresión tolerada polas masas. O economista francés Laurent Cordonnier, pode que na posición teórica dun cego e insolidario euro-centrismo, clarexa, aseverando: "A poboación do Vello Continente é firmemente convidada ao sacrificio polas faltas que non cometeu". Entón, volta aquela vella e controvertida cuestión: Liberdade, para que? Para render tributo á submisión do século XXI? Como podemos nomear, se non, ao ciclo combinado de re-fascistización e desmantelamento social que proxecta a fórmula da debedocracia enaxenada? Para os seus fins -a acumulación demente de Capital a nivel mundial baixo o post-fordismo e a precariedade crecente- son obstáculos un sistema de relacións laborais estable fundamentado nas convencións herdadas dos acordos da OIT en 1919 ou tamén unha Xustiza, unha Sanidade e unha Educación -pobo de ovellas, goberno de lobos- públicas para as maiorías. Esta última nin pública, nin respectuosa e adaptada ás realidades nacionais. Ou a aposta pola Ciencia, a Tecnoloxía e a Cultura. E mesmo un Xornalismo comprometido ao servizo da información certa e non do poder plutocrático, ora terreal -pseudopolítico-, ora celestial -das corporacións que tutelan o capitalismo mundial-. No estado español, con 6 millóns de desempregados e 12 millóns en risco inminente de ingresar na franxa que malvive no limiar da pobreza, amputan a posibilidade de subsistencia e o sostén da cohesión No estado español, con 6 millóns de desempregados e 12 millóns en risco inminente de ingresar na franxa que malvive no limiar da pobreza, amputan a posibilidade de subsistencia e o sostén da cohesión. This is not Greece!!, repite o mantra das cacatúas. Ou dálles por lexislar contra as enerxías verdes e alternativas preservando os intereses e a impunidade ecolóxica e fiscal do lobby petroleiro namentres convidan ao exilio económico á xeración mellor formada e capacitada para innovar, ampliar horizontes e enxergar unha eventual saída sustentábel e xusta, emendando a Thomas Paine cando declaraba, en 1791, que "o ser humano non ten dereito ningún de propiedade sobre o resto de persoas, e ningunha xeración é dona das seguintes". Por aquel entón Maximilien de Robespierre recollía: "A primeira lei social é a que garante a todos os membros da sociedade os medios de existencia. As demais están subordinadas a esta" (...) "toda especulación mercantil que se faga a expensas da vida dos nosos semellantes non é comercio, senón un atraco fraticida". O hipertrofiado capital financieiro neocolonial, na súa fase mais avanzada e violenta, fixou a mirada nos países emerxentes e na Asia toda. E o Welfare state mailos seus estándares constitúen un paréntese a superar nas economías intervidas desta beira da civilización incivilizada; débese expulsar do mercado laboral a sectores amplos de man de obra, deprimindo un volume inxente da poboación ao rebaixar dereitos e salarios. Recoméndase facelo axiña, imprimindo un ritmo tal á transgresión -shock- de maneira que non quede marxe á súa dixestión. Un escenario de tormenta perfecta para que no ermo, servido en bandexa de prata, opere valente o capital transnacional des-localizado e aceptemos o inaceptable por unha codela de pan mesmo traizoando aos que deron a vida polas liberdades civís e políticas ao longo dos tempos. Cando se facía -e se fai- en Marrocos mirabamos, soberbios, cara outro lado. Igual é xustiza poética. O obxectivo é destruír as resistencias colectivas para un mundo -máis- darwiniano, como denunciara Pierre Bourdieu nos albores do milenio A New Age nos convulsos anos dez constitúese como unha sorte de neo-feudalismo edulcorado onde á Europa mediterránea atribúeselle o rol de laboratorio no que calibrar éxitos e riscos das autoritarias decisións tecnocratísimas -se Jacques Derrida espertara do cadaleito ao ver que os temores dos 90´s e da Belle Époque colleron forma volvía espantado- que espolia en favor dunha elite obsesionada por acaparar extenuando a miríade de redes e plataformas cívicas de solidariedade do pobo auto-organizado estendidas, e entendidas, para encaixar o Gran Golpe. O obxectivo é destruír as resistencias colectivas para un mundo -máis- darwiniano, como denunciara Pierre Bourdieu nos albores do milenio. De leste a oeste castigan o Sur continental ao abeiro dun triunvirato -Troika- instalado no papel de Poseidón resucitado que, segundo a mitoloxía, obsequiaba mares calmos no seu aspecto benigno e cando o contrariaban fendía o seu tridente no chan provocando os mais bestiais terremotos e naufraxios deixando un inxente regueiro de vítimas. Hoxe os cidadáns padecen estoicamente a ira do tridente pos-moderno ao servizo do retorno imperial dunha Xermania travestida a piques de forzar o fracaso daquel soño europeo que debuxara Jeremy Rifkin no devezoso 2004. Mais algúns queremos crer que algo comezou a moverse de xeito case imperceptible, sendo difícil ler o presente en perspectiva histórica -moito en tempos de aporía- e sendo longos e complexos os procesos polos cales os pobos recuperan o fanado desde a resiliencia organizada. Mais algúns queremos crer que algo comezou a moverse de xeito case imperceptible, sendo difícil ler o presente en perspectiva histórica -moito en tempos de aporía- e sendo longos e complexos os procesos polos cales os pobos recuperan o fanado desde a resiliencia organizada Hai síntomas dun lixeiro espertar, pois a totalitaria cruzada anarco-capitalista tira polo rexurdir das tensións imperecedoiras que fixeron xirar a roda da Historia desde posicións ideolóxicas antagónicas: cinismo contra romanticismo, ciencia contra superstición, dereitos contra beneficencia, etc...Nunca regalaron nada. Hai reaccións, porque hai impotencia, incerteza vital e inxustiza institucionalizada. Hai desobediencia contra o sadismo e unha das maiores imposturas que se lembra. E hai rebeldía expresada nas rúas e nos barrios das cidades: nas accións espontáneas ou non de protesta, na reconstrución paciente dun tecido popular ata fai pouco atomizado e desorganizado, ou nas respostas que advirten mudanzas nos patróns de comportamento electoral. Desde STOP Desafiuzamentos aos yayoflautas. Desde a Sanidade en loita aos gandeiros galegos. Desde os mineiros aos xuíces, ou ás Universidades. Segmentos enteiros da clase traballadora son conscientes da agresión e da agresividade coa que a executan. Nunha parte, non menor, medra a actitude da decisión de non servir mais que recollía o precursor Étienne de La Boétie no Discurso da servidume voluntaria. Por aquel entón fora o absolutismo monárquico. Hoxe é o absolutismo renarte da sin-razón nun sistema que empobrece masivamente aos máis envilecendo aos menos que fan e desfán ao seu antollo -por mandato da xente sen rostro- mesmo atrevéndose a prognosticar novos Rexurdimentos coma fixo recentemente un Feijóo convertido no arquetipo dos políticos anti-políticos do noroeste. Tanto ten, pois redúcense a Liquidadores de gravata e bos modais que renegan da capacidade da Política para resolver problemas comúns e cotiáns. Buscan desarticular a natureza social do home e pretenden, en última instancia, que desapareza a noción de comunidade, colectividade ou cooperación. Todo o soluciona a Man Invisible. Esgótase o ciclo de lexitimidade do Austericidio Feijóo sintonizaba coa doutrina Merkel: contención no gasto, disciplina orzamentaria, rápida resolución do desemprego, etc...e a súa estratexia de comunicación -reducida a eficaz propaganda- ía polo manual da no alternative O marco interpretativo dominante deu un xiro nos últimos tempos. A consigna da Austeridade Imprescindible derivou no que advertiamos: a Austeridade Asasina afunde a Europa nunha II Gran Depresión que asolaga as expectativas dunha vida digna para millóns. Austeridade comeza a ter connotacións negativas cando semellaba o remedio dos males todos do universo coñecido. A Banca xermana tapa o seu buraco a conta das rendas dos neoescravos do Sur, pero aquí achégase paseniño -e por necesidade- o feche dun ciclo aberto coa primeira vitoria de Feijóo alá por 2009. Chegara a cabalo dos primeiros síntomas da crise cando se soubo sistémica e non cíclica. Por aquel entón Zapatero axeonllábase perante os mercados dilapidando a súa aura republicana e social, e inmolándose diante do conxunto da opinión pública e do seu electorado natural e potencial deixando ao PSOE nos lindes dun desfonde electoral sen precedentes e dun declive e perda de credibilidade ao que non se lle adiviña recuperación. Feijóo sintonizaba coa doutrina Merkel: contención no gasto, disciplina orzamentaria, rápida resolución do desemprego, etc...e a súa estratexia de comunicación -reducida a eficaz propaganda- ía polo manual da no alternative mentres podía fialo todo ao mal que o facía o goberno central ou á herdanza recibida. Despois venceu Rajoy por descarte e, entrementres, Grecia e Portugal derrúbanse nunha xogada que recorda aos castelos de naipes e onde os seguintes somos nós xa neste intre. Nese tempo as falcatruadas da corruptela constante, dos investimentos faraónicos, dos excesos da Coroa e a constatación de que os gobernos non teñen suficiente marxe de manobra emerxen na súa dimensión enteira. E a cidadanía responde mobilizándose: tanto co detonante do 15-M e o 25-S, que focaliza os problemas e baixa os debates ás rúas re-politizando o espazo público, como nas accións conxuntas e de converxencia das loitas facendo uso das ferramentas clásicas do movemento obreiro. O internacionalismo e a xornada do 14-N a nivel europeo despistounos, porque non poden circunscribir a problemática ás lindes estatais. Desborda as competencias e os marcos situándoa no seu verdadeiro nivel: só desde a sinerxia e a aposta disruptiva é posible formalizar mudanzas estruturais reais que devolvan soberanía, xustiza social, liberdade, igualdade e independencia aos seus lexítimos titulares. Só desde a aposta colectiva pódese desafiar á opacidade das enfiañadas redes que deturpan o krátos do démos que, por definición, é un sistema de relacións horizontal e de reparto equitativo de cargas, deberes, liberdades e dereitos inalienables. Vimos de comprobar como ao feche do ciclo electoral aberto nas tres nacións sen estado -vasca, galega e catalá- producíronse respostas que invitan a reflexionar sobre a fragmentación da adhesión ao réxime monárquico de 1978, o cal se mostra esgotado no seu modelo e incapaz de afrontar o desafío ao que nos encamiñamos. Coas súas evidentes diferenzas vemos como no caso vasco e catalá, en distinto grao, as forzas soberanistas dis-conformes co status político vixente saen reforzadas abrindo unha nova fronte á inevitábel crise constitucional. No caso vasco, ademais, rexorde con forza a ata de agora ilegalizada esquerda abertzale, coa súa tradición de loita popular detrás e que nunca aceptou o marco constitucional parido da Transición. No caso catalán, a maiores doutro tipo de análises, aparece no escenario unha forza homologable -CUP- que nace do municipalismo desde o independentismo e o internacionalismo, apostando claramente polo anti-capitalismo e o acompañamento dos movementos sociais recollendo apoios das loitas indignadas obxecto da feroz represión, fundamentalmente na área metropolitana de Barcelona. Incorporan, tamén, elementos da tradición libertaria e entenden o proceso político de xeito dinámico e mais coma movemento, en chave de revolución permanente, ca de xeito institucionalizado. A súa vocación principal é a de ser un propulsor máis da ruptura democrática. O lóstrego de Alternativa Galega de Esquerda conecta ben con esta dinámica compartida Pola súa xénese no que atinxe á acumulación de forzas neste propósito, e outras diferenzas a maiores, o caso galego é substancialmente diferente mais houbo concordancias. O lóstrego de Alternativa Galega de Esquerda conecta ben con esta dinámica compartida alén de que Beiras trocara a alianza entre upegallos e pexegos -resumidamente- por unha nova relación -cos peixes e outras forzas como a FPG, Fronte Obreira, Espazo Ecosocialista e Equo- que outorga carta de natureza de xiro estratéxico histórico -hipoteticamente reversible ou complementario, en todo ou en parte, ad futurum-, e mais alá da sintonía no esencial co BNG. O radicalismo na diagnose e as propostas para o momento de agresión influíu no éxito dun resultado electoral tan avultado. Todos os fenómenos, a maiores das respostas amplas e plurais que van madurecendo e se dan nas rúas mediante ondas de protesta masivas, permiten albiscar movementos tectónicos pola base que poderán ir a maiores ou non dependendo de moitos factores nos vindeiros meses-anos: o desfonde ou recuperación da socialdemocracia nominal en beneficio doutras forzas de esquerda a teor da evolución da crise e os seus efectos colaterais e, nese caso, se é quen de presentarse como alternativa posible ben de goberno, ben coma catalizador e/ou detonante dun proceso constituínte que conteste o trunfo da tecnocracia e a ditadura sen ditador do poder financieiro e da débeda ilexítima que nos empurra ao terceiro mundo sen solución de continuidade. E doutras a maiores. A involución é patente. Poderán quitárnolo todo, pero a bo seguro que o queremos de volta en canto perdamos o medo O austericidio e o seu despotismo prantexan a submisión da razón á vontade, cando a razón indica que este camiño non leva a bo porto. En xogo están practicamente todos os avances e cotas de benestar acadadas nas últimas décadas. E máis ca iso. A involución é patente. Poderán quitárnolo todo, pero a bo seguro que o queremos de volta en canto perdamos o medo.
NOS_36980
Mentres se loita pola inclusión da lingua galega en todo tipo de plataformas audiovisuais, se debate sobre os termos "Galiza" e "profunda" e se procura avanzar cara a fin da toponimia deturpada, moitas son as palabras do idioma propio do país que chaman a atención da cidadanía. Sabías que as buscas recorrentes quer esta semana, quer este mes na Real Academia Galega foron "pene" e "busca", por esta orde?
Se ben é certo que son moitos os colectivos, como por exemplo A Mesa pola Normalización Lingüística, que loitan pola igualdade do galego con outros idiomas oficiais e pola presenza do mesmo en todos os ámbitos, aínda hai moita xente que ten que procurar palabras que a priori parecerían sinxelas para usalas no seu vocabulario. Nestas semanas nas que a lingua da Galiza se reivindica como necesaria e enriquecedora en plataformas audiovisuais de todo tipo e cando os cancelos "#profundamentegalega" e "profundamentegalego" inundaron as redes sociais, aínda hai cuestións que sorprenden no que ao idioma se refire. Quizais por eses pasos atrás dados pola lingua no ensino no país, referendado polos estudos realizados pola propia Real Academia Galega (RAG), quizais porque a conquista das redes de moda -Instagram, TikTok...- por parte de creadoras e creadores galegos convida a aprender algunhas palabras, o dicionario da RAG amosa unha peculiar listaxe dos termos máis buscados. Tanto na última semana como no último mes "pene" situouse como o termo máis procurado no dicionario en liña, seguida por "busca". Aliás, nestes días a xente quixo saber o significado exacto de "babeco", a escritura correcta de "tsar" e o que recolle a RAG sobre un dos saúdos máis utilizados: "Ola". Na procura de "crecho" ou de "camión", atopou o seu espazo "zombi", se cadra polo feito de que estaban perto as celebracións do Samaín e volveron ás plataformas audiovisuais os filmes do xénero. Entre as maiores demandas do mes tamén se repetiu "babeco", mais tamén se quixo saber que quere dicir o adverbio, preposición ou interxección "fóra". As e os curiosos, galegos ou non, tamén consultaron palabras como "presa", "louro", "decontado" ou "varudo", que vén sendo un adxectivo daquela ou daquel "dotado de forza física e vigor, capaz de realizar grandes esforzos", entre outras.
NOS_37698
Máis de medio cento de actividades compoñen un Lázaro multicartaz para todos os públicos de todas as idades. A feira do libro, a mostra de artesanía, exposicións, actividades deportivas, a mostra Agro + Verín… O Lázaro 2017 vén con forza, e para se quedar.
Regresa o Lázaro a Verín e faino por todo o alto para "recuperar o esplendor de antano", en palabras de Diego Lourenzo, tenente de alcalde e concelleiro de Mocidade. "Quixemos darlle unha volta, porque antes estaba todo concentrado nunha simple exposición no pavillón de deportes, e agora diversificámolo para lle dar vida a toda a vila", sinala, en declaracións a Sermos Galiza. A novidade máis salientábel é a feira Agro +, que acubilla todo o que ten a ver co medio rural, a innovación,a tecnoloxía e o ecoloxismo. Esta actividade ten lugar no pavillón, con casetas vinculadas ao sector agroalimentario que acollerán desde investigacións con drons para a tecnoloxía vitivinícola ás novidades sobre control de pragas e cuestións fitosanitarias, entre outras. Durante as mañás do sábado e do domingo desenvolveranse as xornadas técnicas con palestras centradas no desenvolvemento rural e no aproveitamento de recursos e potencialidades da comarca. Moita cultura Aliás, a praza da Mercé acolle a Feira de Artesanía e a Feira do Libro e o claustro do convento dos Mercedarios abre por vez primeira ao público cunha exposición do artista Fernando Barreira. "Esta mostra é o primeiro chanzo de cara a conseguirmos un grande acordo para que todo o claustro e o primeiro piso deste colexio sexan un museo permanente, algo que en Verín non hai e moitas e moitos demandamos", avanza o edil. A praza Maior será o epicentro do resto da actividade musical, coa actuación de orquestras e con agrupacións culturais vinculadas á tradición. A Banda de Gaitas de Verín, a Banda de Música CMUS de Verín ou a agrupación Candaira, entre outras, encargaranse do toque festivo do sábado, mentres que o domingo será a quenda da Banda de Gaitas Vilaverde da Raia ou do grupo Son do Sil. As crianzas tamén disporán de festa coa actuación de Pablo Díaz e a banda TIC TAC TOC. Gastronomía… e deporte O Lázaro tamén abeira este ano actividades deportivas, como a carreira a pé, o torneo de natación e a ruta BTT. E, para coller forzas, acolle a degustación de cabrito e bacallau en numerosos estabelecementos hostaleiros, que se sumaron ao Pincho Lázaro. O concelleiro nacionalista salienta que o Lázaro "demostra que o rural ten futuro e moitísimas opcións". Podes consultar o programa íntegro nesta ligazón.
NOS_7632
Os sindicatos critican os "oídos xordos" da Consellaría ás reivindicacións dos traballadores e traballadoras de residencias, centros de menores e de centros de atención a persoas con discapacidade.
Unha quinta feira máis, e van tres, o persoal dos centros de Política Social (residencias de maiores, centros de menores, centros de atención a discapacitados, centros residenciais, etc....), volveron mobilizarse para reivindicar a recuperación dos seus dereitos laborais, "recortados desde 2012". Convocados por CIG, CCOO, UXT e CSIF, e nunhas concentracións que cada quinta feira contan con máis presenza, as e os traballadores reclaman un maior compromiso cos servuizos sociais públicos "dignos e de calidade", a aumento de prazas públicas e de xestión directa, a recuperación das compensacións por festivos e domingos traballados e a transformación de tódolos contratos de fin de semana ou inferiores, a xornada completa. As centrais convocantes lamentan que a Consellería de Política Social "sigue facendo oídos xordos as xustas reivindicacións do persoal" e lembran que estas traballadoras estiveron en primeira liña de loita contra a CIVID-19. "A señora Fabiola García [conselleira de Política Social], aínda non tivo sequera cinco minutos, para recibir os representantes destes traballadores e traballadoras", critican nun comunicado. Advirten os sindicatos que de non se activar pola Administración a vía do "diálogo", manterase o calendario de mobilizacións e protestas, "para defender as xustas reivindicacións laborais do persoal que traballa nos centros de atención directa a usuarios, dependentes desta consellería, pois esta sendo discriminado fronte a outros colectivos que si se lles compensan os domingos e festivos traballados, que si teñen redución da xornada máxima anual por traballar de noite ou mesmo se lles recoñecen dias adicionais de descanso por traballar en dias especialmente significativos."
NOS_20412
O presidente da Xunta sae de viaxe na mesma data en que o principal acusado dunha trama que afecta á súa contorna -o empresario Gerardo Crespo- declara por primeira vez nos xulgados, disposto a "contar todo".
"Teño probas da implicación da conselleira de Traballo Beatriz Mato e do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e presentareinas no xulgado pero pouco a pouco, xa que podo declarar varias veces". Así -segundo dixo ao diario La Opinión- afronta o empresario Gerardo Crespo a súa primeira declaración ante a xuíz a respecto da Operación Zeta, unha presunta trama de cursos fraudulentos e pagos irregulares a gobernantes que podería alcanzar de xeito escandaloso á Xunta de Galiza do PP. Crespo declara na Coruña esta segunda-feira pola mañá. Sempre defendeu a implicación do presidente da Xunta e tamén do mellor amigo do líder popular, Pachi Lucas, que sería o seu conseguidor de contratos. Case 30 persoas máis terán que prestar testemuña por este asunto. E, curiosamente, o mesmo día no que regresará á primeira liña da actualidade un caso de presunta corrupción que atinxe a Xunta, o seu presidente marcha de Galiza. Núñez Feijóo desprazase a Bruxelas, onde vai manter reunións cos comisarios de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca e o de Política Rexional da UE, cos que tratará cuestións de fondos comunitarios, segundo informou o goberno galego.
PRAZA_5331
Alume, a Asociación lucense de axuda a persoas con enfermidade mental, presenta unha campaña pola saúde mental inclusiva, á que xa se uniron personaxes públicos como Xosé López Orozco, Alfonso Rueda, Susana López Abella ou o actor Gabino Diego
Alume, a Asociación lucense de axuda a persoas con enfermidade mental, vén de lanzar unha campaña pola saúde mental inclusiva, e en contra da consideración destas doenzas como "estigmas" persoais ou sociais. O obxectivo da campaña, baixo o nome Lugo contra o estigma, é visibilizar e, ao tempo, loitar contra o principal obstáculo no camiño cara a recuperación das persoas que teñen unha enfermidade mental: "a exclusión, os prexuízos, o medo... o que comunmente se coñece como o estigma asociado ás doenzas da mente". Na campaña, que conta coa súa propia web, e que tamén se estende polas redes sociais co hashtag #contraelestigma, participan numerosos personaxes públicos, ademais de cidadáns e cidadás anónimas, que se foron unindo nos últimos días. Destaca, por exemplo, a participación do vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda, do actor Gabino Diego, do alcalde de Lugo Xosé López Orozco, da secretaria xeral de Igualdade Susana López Abella ou da concelleira do BNG en Lugo Paz Abraira. Para participar na campaña, tan só é preciso descargar un dos carteis que se atopan no blog de Alume, escribir nel razóns para estar en contra do estigma, facer unha fotografía e enviala a [email protected]. Tamén se pode enviar a mensaxe que se desexe nun folio propio, sen necesidade de descargar o que facilita a asociación. Alume traballa dende 1995 en Lugo e Guitiriz, apoiando as persoas con trastorno mental severo, os seus familiares, amigos e cuidadores principais. Denuncia que o estigma social que sofren as persoas con doenzas mentais supón "o principal obstáculo no camiño cara a recuperación destas persoas, xa que leva ao rexeitamento social e laboral, e ao autoinculpamento". E entidade salienta que "xuntando moitas razóns, moitas ideas e moitas caras, poderemos visibilizar unha problemática que afecta a moita xente, e que leva á exclusión, cando o que procuramos é precisamente o contrario: unha comunidade inclusiva, na que todos teñamos un sitio". Entre as razóns contra o estigma achegadas por algunhas das persoas participantes na campaña podemos salientar, por exemplo, a que escribiu o alcalde López Orozco: "Porque coa separación non se logra o obxectivo de que 'todos somos iguais, todos somos diferentes'"; a de Jaime Castiñeira (voceiro do PP no Concello de Lugo): "Porque impide ver á persoa, que é o máis importante. Non se ve ben se non é co corazón"; a de Alexandre Penas (responsable do BNG en Lugo): "Porque defende unha sociedade de iguais"; a de Alfonso Rueda: "Porque as persoas con enfermidade mental forman parte de nós, son persoas coma nós e somos responsables de que así o sintan"; ou a de Gabino Diego: "Porque a todos nos pode pasar".
NOS_58476
O presidente do Executivo galego intercambiou chamadas cos Ayuso e outros 'baróns' do Partido Popular antes de urxir Casado a tomar unha decisión. Segundo Feixoo, o PP encóntrase nunha "situación de colapso".
O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feixoo, intercambiou chamadas cos diferentes 'baróns' do seu partido no marco da crise interna que estorou no PP como consecuencia da guerra aberta entre o líder dos populares, Pablo Casado, e a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. Precisamente, fontes do PP galego confirmaron que Ayuso é unha das dirixentes coas que Feixoo mantivo conversacións, aínda que subliñan que falou con ela e con "moitos" outros 'baróns' e compañeiros de partido nos últimos días, ante a "situación de colapso" da formación, segundo as palabras que utilizou este luns o propio presidente da Xunta. As fontes consultadas destacan a "normalidade" de que os 'baróns' falen entre eles neste contexto de tensión e negáronse a dar detalles das conversacións privadas do presidente, quen tampouco quixo explicar publicamente o que trasladou a Casado, aínda que subliñou que transmitiu "clara e nitidamente" o que pensa. Feixoo advirte Pablo Casado Con todo, lanzou unha mensaxe contundente apuntando directamente ao seu xefe de filas, a quen advertiu de que, dado que a crise non se pechou, debe "resolvela" asumindo "até a última responsabilidade" e tomando unha "última decisión". Son necesarias "decisións urxentes", insistiu, para concluír que "non van ser fáciles", pero son "imprescindíbeis". Feixoo non desvela se se postula para a presidencia do PP Feixoo tamén evitou desvelar se dará un paso adiante ante un eventual congreso extraordinario do partido nunha xornada na cal Ayuso si se descartou publicamente. "O meu lugar é Madrid", dixo, nunha comparecencia ante os medios en que tamén instou, en liña co líder galego e outros baróns, unha solución para unha situación do partido que ve "insostíbel".
NOS_43438
A ocupación das unidades de coidados críticos é un dos indicadores básicos para avaliar a evolución da pandemia e a presión hospitalaria. Acollen pacientes graves e inestábeis durante estadas longas.
Galiza sumou nas últimas 24 horas un novo ingreso en unidades de coidados intensivos. Segundo os datos actualizados pola Consellaría de Sanidade na web habilitada polo Sergas para informar do coronavirus, en todo o territorio hai 93 pacientes con Covid-19 hospitalizados en áreas de críticos. Deles 33 pertencen á área sanitaria da Coruña e Cee, 23 á de Vigo, nove á de Ferrol, oito á de Santiago e A Barbanza, sete á de Pontevedra e O Salnés, outros sete á área de Ourense, Verín e Valdeorras, e seis, á de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos. Non todos contan Na segunda vaga da pandemia, Galiza alcanzou o seu máximo de doentes críticos o 16 de novembro, con 110 persoas con Covid-19 ingresadas tanto nas denominadas UCI, Unidades de Coidados Intensivos, como de Reanimación e coidados críticos de Adultos (REA), os dous servizos que se ocupan dos pacientes contaxiados de coronavirus, cuxa gravidade precisa de dunha atención específica e especializada. Estamos afeitas a traballar con pacientes críticos que precisan distintos tipos de illamento e coidados. O que non estamos é preparadas para traballar nestas condicións Con todo, a ocupación destas unidades é máis lata do que reflicten as cifras oficiais, advirte o persoal sanitario que traballa nestes servizos. "Os pacientes que obteñen unha segunda PCR negativa non os contan. Moitos días as cifras que ofrecen non cadran coas persoas que seguen ocupando unha cama nas nosas unidades, que para nos seguen a ser pacientes Covid", explica a Nós Diario Verónica Doce, enfermeira da Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Clínico Universitario de Santiago. "Que deixen de dar positivo por coronavius non significa que deixen de requirir coidados específicos. Moitos permanecen sedados, intubados e inestábeis baixo a nosa vixilancia durante moito máis tempo". Folga indefinida O persoal da UCI de adultos do Clínico está en folga indefinida desde o pasado día 16. Reclaman melloras na unidade que repercutan directamente tanto nas propias condicións de traballo como na calidade asistencial dos doentes. "Cando nesta segunda onda decidiron abrir a UCI Covid, desde a Dirección de Enfermaría aseguraron dispoñer de persoal contratado para atender os pacientes que fosen chegando. Máis cos primeiros casos xa se viron na obriga de mobilizar compañeiras da UCI limpa para poder atendelos, e a partir de aí, doutros servizos", sinala Verónica Doce. O persoal láiase da falta de planificación e de "humanización" do contorno. Enfermeiras, auxiliares e intensivistas traballan nun espazo aberto, sen apenas distancia entre as camas e sen ningunha intimidade para os doentes. "Desta segunda volta volvemos acusar falta de material e de medicación, e de novo, unha falta total de previsión, porque o persoal contratado que foi chegando viña sen ningunha experiencia nin formación", tanto en coidados críticos como no manexo dos equipos de protección individual. Especialización A Covid puxo en evidencia unha carencia de persoal e de organización que viña de atrás e que acabou expoñendo aínda máis as profesionais sanitarias. "Estamos afeitas a traballar con pacientes críticos que precisan distintos tipos de illamento e coidados. O que non estamos é preparadas para traballar nestas condicións que nos impoñen", afirma desde o Hospital Universitario de Ourense Nieves García, enfermeira na Unidade de Reanimación desde hai máis dunha década. "O noso maior problema é a falta de organización por parte dos responsábeis e a dotación insuficiente de persoal, con presións para dobrar quenda e renunciar a descansos que nos corresponden", engade en declaracións a este xornal. "Non se ten en conta a visión das profesionais que estamos a pé de cama de cara á planificación do traballo, a adecuación das infraestruturas e a xestión dos recursos. A directora de Enfermaría é a única representación do colectivo profesional no comité da pandemia, o resto son facultativos dos distintos servizos, que teñen coñecemento da clínica e dos tratamentos, pero non dos coidados de enfermaría que requiren os pacientes para cubrir as súas necesidades básicas dentro do contexto dos coidados críticos que precisan", recalca Nieves García. [Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]
PRAZA_87
Este cínico e selectivo discurso é o que mata milleiros de persoas a diario no planeta, pois non fai máis que promover políticas e gobernos burgueses que marcan o sendeiro dos pobos con ríos de sangue. Porén, non é descartábel que tras esta operación de falsa bandeira veña un movemento a escala global máis grande.
Nestes días, un regueiro interminábel de novas sobre o perigo ao que se enfronta occidente inunda todos os medios de comunicación escritos e audiovisuais, mais tamén as redes sociais, influentes de modo global na opinión de millóns de persoas. Partindo da base do terrorífico que supón asasinar uns xornalistas por exercer a súa profesión -en ocasións pouco profesionais e con actitudes neocoloniais-, cumpre analizar este fenómeno desde unha óptica marxista. Entendendo que milleiros de persoas queiran denunciar este atentado, por detrás das mobilizacións recentes atópase un movemento pastoril que busca posicionar a sociedade nunhas coordenadas ideolóxicas moi concretas. Porque como dicían Marx e Engels: "as ideas da clase dominante son as ideas dominantes en cada época". E é certo que a historia mostrou as campañas de medo e engano fabricadas polos mass-media como a antesala dunha intervención imperialista de longo alcance en distintas rexións do planeta. Os sucesos destes últimos días sacaron á palestra, tamén, o libro de Naomi Klein titulado Doutrina do Shock, o auxe do capitalismo do desastre. Neste libro, publicado no 2008, a autora resume a terapia do shock que nos levan aplicando anos con medidas económicas e militares, mediante esta suxerinte explicación: "O desastre orixinal -chámese golpe, ataque terrorista, colapso do mercado, guerra, tsunami, ou furacán- leva a poboación dun país a un estado de shock colectivo. As bombas, os estalidos de terror, os ventos pululantes preparan o terreo para quebrar a vontade das sociedades tanto como a música a toda potencia e as choivas de golpes someten os prisioneiros nas súas celas. Como o aterrorizado preso que confesa os nomes dos seus camaradas e que renega da súa fe, as sociedades en estado de shock a miúdo renuncian aos seus valores que de outro modo defenderían con enteireza". Mandatarios europeos preparan xa un novo recorte de liberdades baixo o argumento da ameaza terrorista. No estado español, o capitalismo aplica políticas antisociais baixo o argumento do mal menor, mais sabemos que o transfondo agocha unha clara intención de enriquecer -aínda máis- a burguesía a costa da clase traballadora. A entrada en vigor da chamada lei Mordaza serve para reprimir calquera movemento social ou político que poña en xaque os seus intereses políticos e económicos. Neste caso, a figura do "radical antisistema" tivo un papel chave no proceso de intoxicación mediática. No entanto, as intervencións imperialistas en Libia, Siria ou no Iraque viñeron precedidas dunha campaña de medo e desinformación, fabricando un monstro en forma de ditador cruel e represor que vén amenazar os intereses occidentais. Nos últimos tempos, temos visto novos métodos de intervención do imperialismo, pasando das clásicas guerras abertas á estratexia das chamadas revolucións de cores, fomentando segundo interese, as contradicións internas de cada país. En definitiva, resulta atroz observar como levan días identificando os valores de Charlie Hebdo cos valores occidentais, os valores da liberdade de expresión e a solidariedade. Fronte a isto, din, encontramos uns "incivilizados" islamitas que cumpre "civilizar" de maneira contundente. Porén, cheira a hipocrisía da máis barata a solidariedade selectiva que practica o establishment do sistema. A mesma Francia que defende os valores da liberdade, igualdade e fraternidade, liderou os ataques da OTAN contra Libia para devastar un país e favorecer a entrada no goberno dos chamados islamitas radicais. Tamén Francia xunto con outros países da órbita da OTAN estiveron armando e financiando en Siria ás mesmas persoas que atentaron en París os pasados días. Poderiamos seguir facendo memoria histórica e lembrar como occidente creou Al-Qaeda para combater o comunismo no Afganistán, a permisividade para que Israel en pleno século XXI practique con completa liberdade un auténtico xenocidio contra o pobo palestino ou os vergoñentos bombardeos da OTAN en Belgrado contra a televisión pública. É indignante que os países que se erguen como representantes da liberdade e os dereitos humanos leven meses facilitando a instauración na Ucraína -mediante un golpe de estado- dun réxime fascista, réxime que prohibe as televisións rusas, ilegaliza partidos e practica a limpeza étnica e ideolóxica da man dos movementos neonazis, co triste resultado de máis de 5000 mortos en doce meses. Así, é preciso lembrar como Occidente mirou para outro lado nos crimes de Odessa, onde ducias de persoas morreron queimadas e malladas a paus no edificio dos sindicatos a man de membros da extrema dereita, polo simple feito de non apoiar o movemento golpista denominado Maidán. Lembremos, esta extrema dereita representada en Pravy Sektor e Svoboda, mantivo reunións durante meses con altos cargos do goberno dos Estados Unidos e da Unión Europea e na actualidade ocupan postos de responsabilidade no goberno de Kiev. Este cínico e selectivo discurso é o que mata milleiros de persoas a diario no planeta, pois non fai máis que promover políticas e gobernos burgueses que marcan o sendeiro dos pobos con ríos de sangue. Porén, non é descartábel que tras esta operación de falsa bandeira veña un movemento a escala global máis grande. Porque a loita entre "civilizados" e "incivilizados" é o motor da historia, a loita dos que existen contra os invisíbeis. Por iso eu non quero ser Charlie, porque non creo no racismo nin no colonialismo. Mais si son Siria, Donbass, Palestina, Curdistán, Ayozinatpa e todas as loitas esquecidas e silenciadas que, como dicía Gramsci, obrígannos a tomar partido porque estamos vivos, e polo tanto eu, son partidista.
NOS_52050
Invadir e anexionar Portugal foi un dos grandes soños da política española. Seica mesmo o propio Franco tiña un plan. O coruñés José Cornide tamén deseñou o seu plan para Carlos IV.
José Cornide, nado na Coruña e morador nunha casa hoxe propiedade da familia de Franco, home público que desenvolveu unha intensa actividade, realizou entre 1798 e 1801 unha viaxe a Portugal, cuxo resultado se publicou en libro baixo o título Estado de Portugal en el año de 1800, dentro da colección de "documentos, opúsculos y antigüedades" da Real Academia da Historia, da que Cornide foi secretario e en cuxa sede madrileña, por razón de cargo, morou varios anos. O motivo oficial da viaxe a Portugal foi atender a encomenda da Real Academia da Historia, que por súa vez atendía unha Real Orde para publicar as obras completas de Afonso X. Os traballos comezaron cunha edición do Libro das Partidas para a que se debía ter en conta todos os códices existentes, entre eles un que se acharía na Torre do Tombo, copia supostamente tomada a Juan I de Castilla na batalla de Aljubarrota. En 8 de xuño de 1798 a Academia resolvía que "siendo necesario enviar al Archivo de la Torre del Tombo de Lisboa persona de inteligencia, celo y legalidad, para sacar una exacta y fiel copia del expresado códice de las Partidas, no hallaba otro más a propósito por todas sus circunstancias que nuestro académico numerario Sr. D. Joseph Cornide" A viaxe, subvencionada polo goberno con 5.000 reais por mes, comezou o 20 de outubro de 1798, día en que Cornide, acompañado de dous escribentes, "uno de ellos perito en dibujo" iniciou viaxe cara a Lisboa. Este perito en debuxo foi Melchor de Prado y Mariño, o afamado arquitecto galego que traballou na fábrica de Sargadelos e nas reformas urbanísticas de Ribadeo e Noia, alén de fixar as trazas para as fachadas das igrexas de San Miguel dos Agros, San Bento do Campo e a capela das Ánimas, todas elas en Compostela, xunto con outras obras na Coruña e en Lugo. O outro acompañante foi o mexicano Manuel Carrillo de Albornoz. En Lisboa ninguén sabe nada do códice procurado. Con todo, Cornide permaneceu en Portugal até o tres de marzo de 1801 En Lisboa ninguén sabe nada do códice procurado. Con todo, Cornide permaneceu en Portugal até o tres de marzo de 1801, momento en que "se le mandó salir de Lisboa" a consecuencia dos conflitos políticos que deron por resultado a guerra España- Portugal de 1801, a coñecida como Guerra das Laranxas. Nestes anos Cornide percorreu Portugal. Primeiro, en 1799, o Algarve e parte do Alentejo; seguiu pola Estremadura na primavera de 1800 e polas Beiras, o Minho e Tras-os Montes xa en 1801. De todo tomou nota. Fortes defensivos, pontes nos ríos, barrancos perigosos, capacidade produtiva de cada territorio, censos de poboación... Unha parte desa viaxe é recollida no libro El Estado de Portugal, publicado postumamente, en 1893. Outras partes permanecen inéditas e algunhas eran para non ser publicadas. Tal é o caso dos Informes para invadir Portugal. Os informes para invadir Portugal Son tres informes e unha carta: 1. Introducción a la Memoria sobre el modo de hacer la guerra a Portugal y a la descripción de sus plazas fronterizas. 2. Observaciones sobre el modo de hacer la guerra contra el reino de Portugal. 3. Noticia de las plazas fronterizas del reino de Portugal y terreno intermedio. 4. Carta al Duque de Frías sobre la forma de invadir Portugal. Centrémonos un pouco nesta, por ser a explicación dos informes anteriores. Nela, na carta, escrita a comezos do ano 1800, Cornide enumera as razóns dos fracasos de todas as empresas militares anteriores, salientando que só tivo éxito a emprendida por Filipe II, non tanto pola boa disposición táctica da guerra, mais, "principalmente porque contaba con muchos partidarios en Lisboa". Todo o demais foi "un mal concertado plano". Para Cornide, a falta de planos e mapas dos territorios a onde se vai facer a guerra é a causa de todos os desastres. É inaceptábel, di, que, por exemplo, se leve o exército ás marxes do río Esla sen contar con pontes para o atravesar. Ou que se pretenda tomar Lisboa atravesando a Serra da Estrela sen coñecer os perigosos barrancos que alí hai. Fronte ao concepto dos vellos xenerais, partidarios de ir conquistando prazas pequenas, Cornide móstrase partidario, e así llo comunica ao Duque de Frías, de ocupar Porto e Lisboa nunha rápida operación. E ao tempo asegurar aqueles territorios que poden ser a base do subministro alimentario. E todo cunha boa comunicación entre os mandos utilizando o telégrafo como elemento de transmisión de información. A ocupación do Porto, por exemplo, asígnalla Cornide ao exército da Galiza, que entrando por Lobios e a Portela do Homem, chegaría rapidamente a Braga e de aí a Porto, da que só dista oito leguas e apenas ten unha vella muralla para a que nin se precisa artillaría. Se houbese algunha resistencia no forte da Foz, desde Vigo traeríase unha frota que desembarcaría en Matosinhos con soldados e alimentos. Ocupado Porto, "se entregarán sin dificultad todos los pueblos de la provincia de Miño". Non esquece Cornide o apoio que dentro de Portugal tivo Filipe II. Por iso lembra que, no caso de ser necesario, que unha "contribución no menos importante se puede sacar de esta ribera y son muchos y robustos gallegos que trabajan sus viñas y, como vasallos del rey de España, se les puede obligar a tomar las armas y reforzar con ellos el ejército". Só o exército de Estremadura entrou en Portugal, seguindo case ao pé da letra as indicacións de Cornide As indicacións de Cornide, na súa globalidade, nunca se levaron a efecto. Con todo, si parece que se tiveron en conta na breve Guerra das Laranxas pois os españois posicionaron tres exércitos: na Galiza, na Estremadura e na Andalucía. Só o exército de Estremadura entrou en Portugal, seguindo case ao pé da letra as indicacións de Cornide. O Duque de Frías, destinatario da carta, centralizou en Badaxoz toda a información para preparar a invasión. Unha invasión que encontrou pouca resistencia en Portugal que, por outra parte, tampouco contaba con grandes posibilidades defensivas. Cornide morreu en 1803, en Madrid. A súa casa da Coruña foi adquirida, en 1962, por Pedro Barrié de la Maza, na cantidade de 305.000 pesetas e ofrecida como galano aos Franco. Igual foi nesta casa onde se esfumaron os soños de Franco invadir Portugal.... Nota: As ilustracións que acompañan o texto son un gravado de Porto, o retrato de Cornide e unha imaxe da súa casa na Coruña, actualmente propiedade da familia Franco.
NOS_40173
Os 'Pross' confirman o seu bo momento e superan Alemaña no clásico.
A selección inglesa xubila Joaquim Löw, que di adeus ao combinado teutón 15 anos despois de asumir o cargo cunha eliminación en oitavos de final da Eurocopa após perder 2-0. Sterling -que marcou o seu terceiro gol nun torneo que comezou baixo o foco da sospeita polo seu frouxo final de tempada- e un Harry Kane tamén criticado polo seu baixo rendemento nos primeiros partidos da Euro, foron os heroes do triunfo inglés. O encontro foi a antítese dos vividos na xornada anterior. Se o Croacia-España e o Suíza-Francia se caracterizaron polo espectáculo visual e os goles a moreas, o clásico entre Inglaterra e Alemaña foi outra cousa completamente distinta. Nin mellor nin peor, diferente. Porque a persoa amante do fútbol aprecia tamén os matices que agocha un modo de xogar quizais menos ostentoso, pero si máis intricado, onde as disposicións tácticas, os movementos e os matices -moitas veces invisíbeis- son os que condicionan o desenvolvemento do encontro. Desde Inglaterra, o seareiro Joe Cleverley informou a Nós Diario da "tensión" coa que viviron o partido, rachada só por puntuais ocasións dun ou doutro equipo sensacionalmente anuladas polos gardametas Pickford e Neuer até que estoupou a loucura colectiva co gol de Sterling no 75. Uns cuartos de final cheos de sorpresas e emoción Os oitavos de final, que concluíron este 29 de xuño cun Suecia-Ucraína do que non podemos ofrecer a crónica por finalizar o partido fóra do horario de fechamento desta edición, ofreceron en liñas xerais un grande espectáculo futbolístico que tivo a súa mellor representación no choque que enfrontou Suíza con Francia, vixente campioa da Copa do Mundo e máxima favorita para o triunfo final, no que a pequena nación helvética apeou o xigante galo nun deses partidos que fan afección. Logo de adiantarse no marcador, Ricardo Rodríguez -fillo de galego- fallou un penalti no minuto 55 que puido supor o 2-0 favorábel aos suízos. Inmediatamente despois, Benzemá por dúas veces e Pogba deron a volta a un partido que chegou un incríbel empate sobre a bucina do tempo regulamentario. Unha Francia fundida fisicamente non foi quen de impor a súa superioridade técnica na prórroga e todo se decidiu na lotaría dos penaltis, na que o seu rival non fallou ningún dos seus cinco lanzamento e Kylian Mbappé, heroe nacional no Mundial de 2018, tornaba en vilán logo de fallar unha decisiva pena máxima practicamente tan aplaudida no Estado español como en Suíza, pois así evitaban o 'coco' da competición nos inminentes cuartos de final.
NOS_48358
J.C.F.T faleceu após caer desde unha altura de 6 metros tras recibir unha descarga nunha nave na que estaba traballando en Vigo.
Faleceu o electricista J.C.F.T, de 48 anos de idade e que resultou ferido grave esta segunda feira en Vigo ao sufrir unha descarga eléctrica e bater coa cabeza após caer desde unha altura duns seis metros. O sinistro laboral tivo lugar nunha nave situada na estrada da Gándara. Segundo comunicou a Policía Local, e recolle Eutropa Press, o traballador estaba dentro da nave arranxando un guindastre-ponte a un seis metros de altura cando sufriu unha descarga eléctrica que lle fixo caer, batendo coa cabeza. En 2016 en Galiza houbo 10 traballadores mortos en sinistros laborais, cifra que supón un aumento a respecto do exercicio anterior, 2015, no que faleceran 5 operarios. Entre 2010 e 2016 perderon a vida en accidentes laborais máis de 380 traballadores no noso país. Ao longo do primeiro semestre de 2016 o noso país retornou ao primeiro posto de accidentes laborais no coxunto do Estado español. Os sinistros con resultado de morte teñen en Galiza unha incidencia moi superior á do conxunto do Estado. O Boletín de saúde laboral editado pola CIG era concluínte: "Proporcionalmente morreron na Galiza por accidente laboral o dobre de traballadores que a media do conxunto do Estado". En Galiza o índice de incidencia (número de sinistros por cada 100.000 traballadores en activo) nos accientes mortais é de 0,519. No Estado español é de 0,259.
NOS_23403
En pleno período estival, "con nocturnidade e aleivosía", o Goberno galego está a recortar os cadros de persoal de diferentes centros de ensino de cara ao vindeiro curso, unha cuestión que preocupa ás federacións de Anpas da Galiza, que critican o "rotundo deterioro do sistema público", en especial no rural.
A Xunta da Galiza nega que se vaian producir recortes no profesorado de cara ao vindeiro curso 2021-22. Porén, un recente estudo realizado pola CIG-Ensino cifra en 435 as prazas que se perderán a respecto do ano académico precedente, cando se reforzaron os cadros de persoal por mor da pandemia, debido á necesidade de separar o alumnado en máis aulas. Mais, en comparanza co curso 2019-20, antes de que estoupase a crise sanitaria, desaparecerían en setembro 189 postos. "Estes números serán maiores aos que estamos mostrando, xa que faltan datos de moitos centros galegos [polo de agora consultáronse 50% das escolas de ensino secundario do país] e que serán evidentes ao comezo do curso, salvo que a Consellaría recapacite e modifique os cupos dos centros", salientan desde o sindicato. Esta nova chega nun momento no que familias e docentes de centros como a escola unitaria de Sabaxáns (Brión) ou o CEIP de Caión (A Laracha) está a alertar dos riscos, tanto sanitarios coma educativos, que suporía o fechamento de diferentes aulas anunciado pola Consellaría de Educación. A menos alumnos, máis rendemento As Asociacións de Nais e Pais (Anpa) do país observan con preocupación os movementos do Goberno galego e instan a manter as actuais ratios de mestres: "A pandemia evidenciou que desdobrar o alumnado en máis aulas non só é beneficioso desde o punto de vista sociosanitario, senón tamén no plano educativo, xa que as e os estudantes melloraron notabelmente o seu rendemento ao traballaren en grupos máis pequenos", indica, en declaracións a Nós Diario, o presidente da Confederación Galega de Anpas de Centros Públicos (Confapa), Rogelio Carballo. Tamén Fernando Lacaci, presidente da Confederación Anpas Galegas, incide nesta cuestión: "Xa vimos como as aulas desdobradas deron un bo resultado, por que non aprendemos da experiencia e o aplicamos de cara ao futuro? Unha aula máis pequena é tamén máis produtiva", engade. Desde a Consellaría escúdanse en "cuestións demográficas" para xustificar a perda de docentes en determinadas escolas, mais Carballo cuestiona ese argumento: "Nalgunhas poboacións si hai unha caída da demografía, mais noutras o alumnado medra. O investimento en educación debe ser un asunto prioritario, mais vemos como a Xunta o reduce mentres os impostos que achegamos son os mesmos ou maiores". Visión de futuro Para Lacaci, o problema reside en que a Consellaría "só pensa no curto prazo" e carece dunha "visión de futuro". "Sempre conducen o discurso público a problemas concretos, mais son decisións que afectarán as vindeiras xeracións. Cando decides fechar un colexio non só botas fóra 30 alumnos, senón os 30 do ano seguinte, e outros 30, e outros 30... Pensan en pequeno e lévannos a iso, a protestar polo fechamento dunha aula ou a marcha dun docente; as árbores impídennos ver a fraga", argumenta. Sobre o recente anuncio do definitivo fechamento do CEIP de Baamonde (Begonte), critica que se trata dun "capricho do alcalde consentido polo conselleiro [Román Rodríguez]", xa que o centro "tiña estudantes abondo". "Están a estragar o país, porque unha sociedade se vertebra con base en servizos coma os centros de saúde, as residencias e, en especial, os colexios, por onde todas e todos pasamos. Este rotundo deterioro do ensino público afecta todo o país", engade. Pola súa banda, Rogelio Carballo ve esta cuestión como "unha lousa máis" sobre os concellos do rural: "Temos un problema xeográfico e demográfico. Estamos a padecer perdas irreparábeis, danos ao patrimonio e á organización social por cuestións como a invasión eólica, e o fechamento de centros de ensino só agrava a situación. O único que conseguiremos será baleirar as aldeas". Aliás, Fernando Lacaci pon o foco nas "desigualdades" existentes entre o alumnado das cidades e o das pequenas vilas: "Se nun instituto da cidade se ofertan todas as especialidades do Bacharelato e nun pobo só a modalidade única, estás obrigando a moitas rapazas e rapaces a mudaren completamente os seus plans de futuro. O responsábel de Anpas Galegas pregúntase "cantas aulas, colexios e profesorado" foron recortados "de forma sistemática" polos sucesivos gobernos de Alberto Núñez Feixoo. "Debemos compararnos coas cifras de principios de século, non coas de 2019 ou 2020", sentencia.
NOS_5688
O xuízo das mulleres que foron gravadas ouriñando sen o seu consentimento na edición de 2019 desta festa —imaxes que acabaron en páxinas web pornográficas— segue aínda aberto.
Tres anos despois das gravacións a mulleres ouriñando que manteñen aberta unha investigación xudicial, a localidade de San Cibrao (Cervo), volve celebrar desde esta sexta feira as súas festas da Maruxaina, que contarán este ano con máis seguridade, máis baños públicos e un 'punto violeta'. Trátase dunha celebración que recae o segundo sábado de agosto desde 1985 —aínda que en 2020 e 2021 non houbo festexos pola pandemia— e trata de escenificar a lenda da Maruxaina, unha personaxe con aspecto de serea que vive nun castelo baixo a auga e da que uns din que é boa, porque avisa os mariñeiros dos temporais, e outros que se dedica a seducilos para que se perdan no mar. Nestas festas, declaradas de Interese Turístico Galego, San Cibrao recrea a detención e xuízo ao que foi sometida a Maruxaina, con homes e mulleres que visten como antano. Os mariñeiros saen ao mar en busca da serea mentres fan soar cornos e bucinas para non escoitar o seu canto. Logo, regresan con ela e condúcena á praza dos Campos para que sexa xulgada polos seus actos. A Maruxaina sempre é absolta e o xuíz, na lectura da sentenza, ordena celebrar unha festa. A defensa das mulleres da Maruxaina confía nunha resolución "máis xusta" Malia que este sábado serán os actos centrais, xa no día de hoxe decorrerá a 'pre-Maruxaina' cun 'chupinazo' que dará inicio ás festas ás 19 horas na praza, así como co nomeamento do Maruxaino e a Maruxaina de Honra 2022. O día grande, o sábado, estará animado desde primeira hora por charangas e gaiteiros. Xa pola tarde, está previsto o desenvolvemento duns xogos populares na praia e ás 23 horas celébrase o desembarco da Maruxaina na praia do Torno xunto cun espectáculo de fogos artificiais. O xuízo popular é a medianoite, tras o cal haberá unha degustación gratuíta e unha verbena. Máis seguridade e baños Segundo avanzaba en días pasados o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, este evento contará con máis presenza da Garda Civil e de seguridade privada, que velará porque non se repitan as gravacións ilegais de hai tres anos a máis dun centenar de mulleres mentres ouriñaban, que nalgún caso se subiron a webs pornográficas. En concreto, o rexedor prometeu "cubrir máis os espazos de seguridade e de baños públicos para que a festa siga sendo un referente". Alén da maior presenza de axentes, acordada na xunta local de seguridade, porase un 'punto violeta' para previr agresións a mulleres. "Falamos dunha festa declarada de Interese Turístico Galego e, como todas as festas, a clave é vir con gana de pasalo ben e con gana de gozar do pobo", destacou Villares, quen apelou tamén ao civismo, porque a afluencia de miles de visitantes fai "moi difícil" controlar todos os comportamentos. A investigación continúa aberta A Maruxaina de 2019 será lembrada como aquela na que se produciron gravacións de mulleres ouriñando na rúa e que foron subidas a páxinas de contido pornográfico. A investigación, que leva o Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro, continúa e aínda quedan por comparecer unhas 20 do máis dun cento de mulleres que aparecen nestes vídeos, que xa foron eliminados de Internet. Declaran 20 novas vítimas da Maruxaina O xuíz de Viveiro arquivara o caso nun inicio porque non apreciaba delito e, segundo argumentou, os vídeos graváranse nun lugar público. Con todo, en novembro de 2021, a Audiencia Provincial de Lugo ordenou reabrir a investigación tras senllos recursos das afectadas e da Asociación de Mulleres en Igualdade de Burela (Bumei), que exerce a acusación popular.
NOS_18864
A perda de poboación é unha constante en todos aqueles concellos de alta concentración eólica. Segundo sinalan diversas investigacións realizadas en diferentes universidades do Estado, as instalacións de produción de enerxía renovábel favorecen estas tendencias. A OCDE advirte do escaso emprego directo e indirecto xerado polos parques eólicos. A Galiza baleira é un bo exemplo disto.
Muras é unha das capitais do sector eólico na Galiza. O concello, localizado en plena Serra do Xistral, conta con 15 parques eólicos, 381 muíños e unha potencia instalada de 481 megavatios. O municipio, un dos pioneiros na xeración desta fonte de enerxía desde comezos da década dos 90, non deixa de ver como mingua a súa poboación desde aquela altura. Tanto é así, que nos últimos 35 anos ten perdido máis da metade da súa poboación, pasando de 1289 habitantes en 1996 a 619 en 2020. O veciño concello de Ourol presenta moitas similitudes con Muras. Situado tamén na Serra do Xistral, unha área moi desexada polas eléctricas pola potencia dos seus ventos, dispón de instalacións de xeración eólica desde comezos dos anos 90, xogando naquel momento o Goberno local un papel moi activo na promoción deste tipo de iniciativas, presentadas como chave no desenvolvemento local. 25 anos despois do emprazamento do primeiro parque eólico, Ourol rexistra 995 veciños, reducindo a súa poboacións nas últimas dúas décadas en 562 persoas e presentado unha das taxas de envellecemento máis elevadas do país. O despoboamento rural A historia de Muras e Ourol repítese na practica totalidade dos concellos galegos e do Estado considerados como pioneiros na xeración de enerxía eólica e que dispoñen dun importante número de parques para a súa produción. A este respecto, un estudo dirixido pola profesora do departamento de Análise Económico da Universidade de Zaragoza, Rosa Duarte conclúe que "proxectos deste tipo acentúan os procesos de despoboamento". A realidade testada polo equipo de investigadores dirixido por Duarte, coincide cos dados fornecidos para o País Valencià nun traballo elaborado pola Universitát de Valencia, onde se sinala que "o 90% dos concellos con parques eólicos perderon poboación". Os beneficios dos proxectos eólicos para o desenvolvemento rural e o emprego son cuestionados desde diversos ámbitos. Sen ir máis lonxe, a Organización para o Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE) sinalou no seu informe de 2012 que "a xeración de enerxía renovábel é unha actividade altamente intensiva en capital, polo que o emprego directo que crea e o multiplicador asociado é moi baixo". Unha opinión semellante, defendeu o profesor da Universitat Rovira i Virgilli, Sergie Saladié i Gil, quen nunha recente comparecencia no Senado significou que o "impacto en emprego é testemuñal". 'Hai pouco impacto económico e hai nulo impacto laboral' "Se hai pouco impacto económico e hai nulo impacto laboral, isto tradúcese en que aqueles problemas estruturais que ten o mundo rural e que teoricamente este tipo de instalacións viñan solucionar, vemos con datos na man e ao cabo duns anos de poder avaliar ese modelo, que iso non se está cumprindo", apunta Saladié i Gil, quen critica que "as enerxías renovábeis están a concentrarse en determinados territorios, para facer que só estas zonas carguen cunha parte importante da transición enerxética, e isto produce procesos de concentración territorial, chegando á masificación destas tecnoloxías nun determinado punto". A investigación coordinada pola profesora, Rosa Duarte, sostén a mesma tese. Así, recolle que "a maior fonte de creación directa de emprego concéntrase nas etapas de instalación e construción dos proxectos, período cun claro compoñente de curto prazo e que non implica necesariamente un cambio estrutural cualitativo como o que precisan moitas das zonas rurais periféricas e en declive". Ao tempo, mantén que naquelas zonas altamente produtoras de enerxía de orixe renovábel non se dan "cambios significativos nas actividades ligadas ás manufacturas asociadas ás renovábeis" e destaca que as fábricas de pezas ou muíños eólicos non adoitan situarse nas súas proximidades. Os propios dados achegados pola Asociación Eólica da Galiza veñen confirmar estas posicións. O informe de Impacto económico e social do sector eólico na Galiza, elaborado en 2020 pola consultora Deloitte para a patronal eólica, afirma que "un megavatio de potencia xera 3,7 empregos durante a fase de construción e 0,2 empregos en actividades de operación e mantemento durante a súa explotación e mantemento". Porén, a cantidade de persoas ocupadas en labores de mantemento é aínda inferior, porque a practica totalidade destes traballos están subcontratados a compañías que desenvolven estes labores en diferentes parques. Nese sentido, Duarte advirte dun "modelo de negocio recorrentes en externalizacións e subcontratas que buscan unha optimización duns recursos humanos moi móbiles e deslocalizábeis". A historia dos encoros repítese Os estudos realizados sobre o impacto dos encoros na Galiza teñen sinalado a súa incidencia negativa no despoboamento das comarcas afectadas. A deste respecto, a practica totalidade das investigacións poñen o foco no alto valor agrario das terras anegadas, as máis fértiles para determinadas producións de zonas de ribeira. A historia dos encoros repítese cos eólicos.
NOS_53152
Na declaración da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural, a Xunta deixou fóra 55 igrexas de orixe románica. Activistas promoven a súa protección, estudosos alertan do desvalimento dese patrimonio e a propia Administración abre a porta a rectificar. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza en papel número 336.
O 29 de decembro de 2017, o Diario Oficial de Galiza (DOG) publicaba a incoación do expediente da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural. A figura de protección concretaríase na "categoría de paisaxe cultural" e afectaría ademais a "bens e manifestacións do patrimonio cultural material e inmaterial relacionados". Máis alá dalgúns templos emblemáticos hai anos protexidos -os mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Miño ou de Santa Cristina de Ribas de Sil, a igrexa de Santa María de Pesqueiras ou a de San Fiz de Cangas-, a Xunta incorporou novas mostras: da igrexa e o mosteiro de San Salvador de Asma, en Chantada, aos de San Xoán de Loio. Mais non están todos os que son. Polo menos, así o entendeu a activa asociación O Sorriso de Daniel, que vela polo patrimonio románico galego. A agrupación elaborou un prego de alegacións ao expediente. Nel incluíron 55 igrexas de orixe románica que o Goberno galego non considerou pertinente sinalar como Ben de Interese Cultural. "Vimos con moita decepción que un gran número de edificios quedaran excluídos", escriben no calendario fotográfico que editaron en protesta. Porque a Dirección Xeral de Patrimonio desestimou as súas propostas. Nun escrito remitido ao Sorriso de Daniel o pasado 11 de decembro, a Administración explicaba a súa decisión: "Da perspectiva de valoración da súa alegación e doutras, chegouse á conclusión de que poden existir os fundamentos para o recoñecemento da singularidade do románico na Ribeira Sacra". E engade que Patrimonio, "no marco dun expediente propio, avaliará a posibilidade dunha declaración específica". As activistas, porén, non se fían. "Dixéronnos que as igrexas xa están catalogadas", explica a este semanario Pilar Sánchez, do Sorriso, "e logo tamén que as nosas alegacións foran mínimas". Nas 19 páxinas do documento elaborado pola asociación figuran 12 igrexas de Chantada, catro de Monforte, cinco do Saviñao, unha de Pantón, tres de Paradela, tres de Portomarín, dúas de Ribas de Sil, oito de Sober, sete de Taboada, dúas de Trives, unha da Teixeira, unha de Parada de Sil, catro de Castro Caldelas e dúas de Nogueira de Ramuín. "O románico da Ribeira Sacra está no ADN da paisaxe e desa espiritualidade tan ligada ao lugar", entende Sánchez. Determinada polas profundas cuncas de Miño e Sil, cun clima de seu e unha terra especialmente propicia para o viño, a Ribeira Sacra conforma un territorio xeograficamente ben delimitado e fisicamente impoñente. [Podes ler a reportaxe íntegra no número 336 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
NOS_50225
Wilders, líder da formación política de ultradereita Partido pola Liberdade (PVV), declarado culpábel por insultar a marroquís. Comeza en Austria o xuízo contra o ex-vicecanciller, Heinz-Christian Strache.
O Tribunal Supremo de Países Baixos ratificou o fallo que declarou culpábel ao líder da formación política de ultradereita Partido pola Liberdade (PVV), Geert Wilders, por insultar aos marroquís durante un acto en 2014. O fallo da máxima corte neerlandesa ten lugar despois de que Wilders presentase unha apelación contra un fallo anterior, ditado polo Tribunal de Apelación e que sostiña que "un político tamén debe adherirse aos principios básicos do Estado de Dereito e non debe incitar á intolerancia". A sentenza, que non examinou o fondo do caso senón unicamente o procedemento do Tribunal de Apelación da Haia, indicou que Wilders falou "deliberadamente" dos marroquís e non mencionou que se refería aos "criminais", como explicou despois, segundo un comunicado do Tribunal Supremo. Así mesmo, a corte insistiu en que a forma na que Wilders fixo as súas declaracións é "innecesariamente ofensiva" e "excede os límites da lei". O fallo, con todo, non implica a imposición dunha pena xa que ratifica o fallo anterior, que o atopou culpábel por insultar ao marroquís pero sen incitar ao odio, polo que non lle impuxo pena algunha. Xuízo por corrupción en Austria O xuízo por corrupción contra o ex-vicecanciller de Austria Heinz- Christian Strache, acusado de corrupción por presuntamente recibir beneficios a cambio de apoiar a modificación dunha lei, comezou onte en Viena. En concreto, o líder do Partido da Liberdade, de extrema dereita, está acusado de aceptar un suborno a cambio de apoiar a modificación dunha lei, orientada a permitir que a xerencia dun hospital de Viena puidese cargar certos tratamentos médicos directamente á seguridade social austríaca. O partido de Strache recibiría unha doazón de 10.000 euros procedente da citada xerencia, nun movemento que o fiscal considera un intento de comprar unha modificación lexislativa. O fiscal tamén remarcou que o xerente do hospital convidou a Strache e á súa muller á illa grega de Corfú no seu avión privado. O asunto tamén estivo baixo o foco dunha comisión de investigación parlamentaria que se ocupa de esclarecer o que en Austria se coñece como o 'Eivissa affair', un caso de corrupción detectado no seo da coalición gobernamental.
NOS_50949
O municipio partillará propostas e ideas para buscar medios de transporte máis ecolóxicos con entidades de Suecia, Italia e Grecia. O proxecto conta con fondos europeos e decorrerá durante algo máis dun ano.
O Concello de Abegondo vén de iniciar un proxecto de mobilidade sostíbel da man de Suecia, Grecia e Italia que procura o impulso a medios de transporte ecolóxicos e que eviten os danos ao medio ambiente. Esta iniciativa de cooperación internacional comandada por unha universidade sueca conta co apoio da Unión Europea e busca ferramentas innovadoras para que a xente aposte na procura doutros sistemas que permitan trasladarse. Baixo o epígrafe do proxecto Transit (Training Paths for Adults on Sustainable Mobility), o municipio das Mariñas contará con 40.000 euros para accións sostíbeis e que impliquen o cambio de hábitos da veciñanza. O primeiro paso para chegar a infraestruturas e campañas concretas vai ser compartir experiencias entre as vilas dos países participantes, que partillarán os pouco máis de 300.000 euros que achega a Unión Europea entre este mes e setembro de 2023. "Ao contemplar diversas realidades poderemos sumar esforzos e ideas para deseñar medidas innovadoras pero reais", destaca o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso. Ademais de reunións a catro bandas, haberá un traballo previo de cada zona para analizar a situación de partida, é dicir, as opcións de transporte que hai agora, como se comporta a poboación, as propostas que ten feito a veciñanza... Aposta na bicicleta Neste sentido, para a localidade é fundamental que se use máis a bicicleta, pois xa hai algúns tramos e se vai rematar unha senda ao encoro de Cecebre grazas a unha aportación da Deputación coruñesa. "É un orgullo que un municipio pequeno como Abegondo sobresaia en Europa e, ademais, en materia ambiental", subliña Santiso.
PRAZA_9231
O presidente di que seguirá a apoiar propostas do BNG "se están dentro do noso ideario" pero salienta que os votantes populares non son nacionalistas
O presidente di que seguirá a apoiar propostas do BNG "se están dentro do noso ideario" pero salienta que os votantes populares non son nacionalistasO seu xa clásico argumento de que o PP é o partido que máis se parece aos galegos volveu ser empregado este xoves polo presidente Feijóo para defenderse dos intentos de Ciudadanos e Vox de roubarlle espazo electoral. Fronte a eles, di o presidente, a "mellor oferta" que teñen dispoñible os galegos é o PP, que non renuncia a seguir apoiando propostas políticas do BNG "se están dentro do noso ideario" sen que por iso se poida considerar que o seu partido é nacionalista. A Freijóo preguntóuselle na rolda de prensa tras a reunión semanal do seu Goberno pola decisión do portavoz municipal do PP en Ourense de deixar o partido e estudar unha oferta para pasar a Ciudadanos, así como pola acusación do líder de Vox, Santiago Abascal, de que o PP galego ten un "discurso nacionalista" por reclamar máis competencias autonómicas. Feijóo considera "paradoxal que os partidos que critican o PP teñan como obxectivo captar dirixentes do PP"Sobre a marcha do concelleiro de Ourense, Feijóo considera "paradoxal que os partidos que critican o PP teñan como obxectivo captar dirixentes do PP". O líder popular lembrou que o seu partido ten "1.700 concelleiros" en toda Galicia e non descartou que outras formacións "se os chaman, consigan algúns", pero engadiu que non cre "que iso sexa nin mellorar a oferta electoral nin diversificala".Sobre a acusación de manter un discurso nacionalista, Feijóo dixo que esa estratexia de Vox "ao mellor pode darlle algún voto fóra de Galicia, pero en Galicia non coa". O presidente tamén fixo ver que acusar ao PP de nacionalista significa faltar ao respecto aos votantes populares, maioría en Galicia, que ao seu ver son conscientes de non ser nacionalistas. Nesa liña, a continuación preguntóuselle se o PP vai seguir apoiando propostas políticas do BNG, ao que respondeu que si, "se están dentro do noso ideario e nos parecen útiles, as pactaremos, e se non, non".
PRAZA_16345
O Consello Económico e Social (CES) incorpora agora a unha representante máis de Unións Agrarias e outra do Sindicato Labrego Galego en substitución dos dous de Xóvenes Agricultores, entidade disolta en xuño de 2016
Xóvenes Agricultores, o sindicato agrario afín ao PP, foi disolto oficialmente por un xulgado en xuño de 2016. Porén, non foi ata este venres que o Goberno galego cesou oficialmente coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia aos seus dous representantes no Consello Económico e Social (CES), o "foro permanente de diálogo entre as organizacións socioeconómicas e as institucións autonómicas", como se autodenomina. Segundo varias fontes, os dous representantes de Xóvenes Agricultores deixaron de participar no CES tras a disolución do sindicato, pero a demora en facerse oficial o seu cesamento impediu que ata agora puidesen ocupar esas prazas dous representantes de Unións Agrarias e o Sindicato Labrego Galego. O Consello Económico e Social (CES) incorpora agora a unha representante máis de Unións Agrarias e outra do Sindicato Labrego Galego en substitución dos dous de Xóvenes Agricultores, entidade disolta en xuño de 2016 As progresivas dificultades económicas ás que se enfrontou Xóvenes Agricultores nos seus últimos anos levaron aos seus traballadores logo despedidos a criticar de xeito público o nivel de vida do seu daquela presidente, Juan Pérez Miramontes, en cuxo iate se fotografou en Sanxenxo o presidente do Goberno, Mariano Rajoy. Ao tempo, o Consello de Contas certificou que a Xunta beneficiou a Miramontes entregando ao sindicato dous millóns de euros cos que a organización mercou catro locais dos que era copropietario o seu presidente. O punto final á historia de Xóvenes Agricultores púxoo un xulgado do Mercantil de Lugo que en xuño de 2016 decretou a súa disolución tras un concurso de acredores. Porén, non foi ata este venres que o DOG publica o decreto asinado polo presidente Feijóo que dispón o cesamento como membros do CES dos dous representantes nel de Xóvenes Agricultores, Francisco Bello Bello e Antonio de María Angulo, así como dos seus suplentes, Juan Carlos García Pose e Juan Pérez Sánchez-Orozco. Ao tempo, o Goberno galego nomea dous novos membros do CES: Rosa Arcos Caamaño, en representación de Unións Agrarias, e Marieta Pastoriza Martínez, polo Sindicato Labrego Galego, con Javier Iglesias Fernández e Ana Eiras Reguera como os seus respectivos suplentes polos dous mesmos sindicatos. O CES asegura que os representantes de Xóvenes Agricultores deixaron de asisir e cobrar dietas tras a disolución do sindicato Consultado sobre esta situación, un portavoz do CES, que preside a ex-conselleira e ex-alcaldesa popular de Vigo Corina Porro, sinala que os representantes de Xóvenes Agricultores deixaron de ser citados ás reunións do órgano en canto tivo coñecemento da súa disolución por parte do xulgado. Tamén asegura que desde ese momento nin asistiron ao CES nin cobraron as dietas que reciben as organizacións participantes. Así o ratifican outras dúas fontes consultadas por este diario. Segundo o CES, a demora no cesamento oficial dos representantes de Xóvenes Agricultores debeuse a que ata o de agora non se resolveu o proceso para elixir os novos vocais agora nomeados, o que impediu que durante este ano e medio Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego puidesen contar cun representante titular a maiores do que xa dispuñan.
NOS_52239
Panamá e Venezuela galardoan tres traballos dos directores galegos Fon Cortizo, Marcos Nine e Javi Camiño.
O cinema galego continúa a ser recoñecido tamén fóra do país. Estes días tres traballos audiovisuais colleitaron galardóns en dous festivais na outra beira do Atlántico. Os primeiros premios chegaron do Festival Internacional de Cine Iberoamericano de Caracas, en Venezuela, onde o filme 9 Fugas (2020) de Fon Cortizo levou tres importantes premios e o documental A Virxe Roxa (2021) de Marcos Nine tamén voltou co galardón do seu xénero. O terceiro filme premiado foi Jacinto, a ópera prima de Javi Camiño, que levou o recoñecemento do Panamá Horror Film Fest- Festival de Cine e Cultura de Terror de Panamá. A cita venezolana premia dous filmes León de Ouro ao Mellor filme do certame, Mellor longametraxe iberoamericana e Mellor dirección son os tres galardóns que a película de Fon Cortizo sacou desta cita venezolana. 9 Fugas, gravada en galego, parte da banda sonora creada por unha orquestra de improvisación dirixida da que xurdiron a historia e as imaxes. O filme estrutúrase en 9 capítulos que son vasos comunicantes a través dos que flúe un relato. No reparto, Cortizo contou coa participación de Areta Bolado, Ailén Kendelman, Olga Cameselle, María Roja, Lola Quirós, Alfredo Rodríguez, Noelia Castro e Marta Pérez. Co premio á mellor longametraxe documental volta de Caracas Marcos Nine pola súa obra A Virxe roxa (Recrea Films). Nela, Nine recolle un episodio real, o caso de Aurora Rodríguez, feminista que en 1933 mata a tiros á súa propia filla Hildegart, de dezaoito anos, a quen preparara previamente para ser un símbolo da liberación feminina como ferramenta das súas propias ideas. A película é unha das finalistas ao premio Mestre Mateo deste ano a mellor documental. Premio á última película de Pedro Brandariz O filme Jacinto, de Javi Camiño, ven de recoller tamén un recoñecemento noutra cita latinoamericana: o Panamá Horror Film Fest- Festival de Cine y Cultura de Terror de Panamá. Protagonizada polo tristemente desaparecido Pedro Brandariz, acadou o favor do xurado no certame internacional de xénero. Esta obra tamén é outra das cintas finalistas desta edición dos Premios Mestre Mateo.
NOS_52127
Organizacións agrarias denunciaran esta situación.
A Agencia de Información y Control Alimentaria (AICA), dependente do Ministerio de Agricultura, está a revisar 2.000 contratos lácteos en Galiza por baixo dos 24 céntimos o litro. As explotacións con este tipo de contrato están a recibir comunicacións da AICA nas que se lle pide diversa información sobre o acordo que teñen coa empresa que lles recolle o leite, segundo informan desde Campo Galego. Esta actuación prodúcese despois de que diferentes organizacións agrarias denunciasen a situación existente nas explotacións galegas, moitas delas (3.000, calcula UUAA) tendo que vender o leite a perdas. Este organismo, relata Campo Galego, require información sobre modificacións unilaterais dos contratos, duración do acordo, posibilidade de optar a outras ofertas ou ben se eses produtores reciben ameazas de que non se lles recolle o leite. As inspeccións da AICA poderían rematar en sancións ás industrias infractoras. Os produtores son partidarios de que se publiquen os nomes das empresas infractoras. O informe que hai unhas semanas fixo público o Fondo español de garantía agraria (Fega) correspondente ao mes de maio reflictía unha nova caída no que se paga polo leite no noso país: o prezo medio está en 27,3 céntimos (29,2 no Estado). Galiza é onde ao produtor menos se lle paga polo leite mentres que no outro extremo, o mellor pago na Península, está Euskadi, con 34,2 céntimos o litro.
NOS_5627
O mozo afronta unha petición de 5 anos e 8 meses de prisión. Foi detido na mobilización das Marchas da Dignidade en Madrid de maio de 2014.
O 22 de marzo de 2014 ducias de miles de persoas procedentes de diferentes partes do Estado manifestábanse en Madrid, convocados polas Marchas da Dignidade, contra as políticas da Troika e polo dereito a "pan, traballo e teito". A policía española procedeu nesta xornada á detención de 30 persoas, entre ellas tes galegos, un deles Emilio Cao, un mozo de 18 anos de idade, do Carballiño e integrado no colectivo Estudantes sen Futuro. Piden agora para el 5 anos e 8 meses de prisión acusado de agresión a un axente, o que nega. Este sábado, 3 de decembro, O Carballiño acollerá unha manifestación baixo o lema 'Contra a represión. Todos somos Emilio Cao', que comezará ás 12:00 horas. Os convocantes, as Marchas da Dignidade, prevén que esta sexa masiva. Que nas rúas desta vila ourensá se dea un exemplo de solidariedade e de rexeitamento da represión. En declaracións a Europa Press, Emilio Cao recoñece a preocupación por unha petición tan alta, mais mantense firme en que este tipo de peticións non lle van facer recuar nin abandonar. "Vou seguir organizado politicamente". Manolo Caamaño, secretario xeral da CUT, chamaba nun recente artigo a asistir á manifestación no Carballiño "para reclamar a absolución de Emilio Cao, que o único crime que cometeu é o que levan feito as Marchas da Dignidade trala súa constitución: defender os intereses das capas populares que ven minguadas cada día máis os seus dereitos civís e laborais. De forma pacífica e con firmeza".
NOS_43108
No acto simbólico de protesta participou o deputado no Pazo do Hórreo Xosé Luís Rivas 'Mini'. Coa concentración o BNG quer patentizar que os efeitos negativos da mina atinxirían non só os concellos de Touro e O Pino, senón tamén os municipios limítrofes e aqueles polos que discorre o Río Ulla, directamente afectado polos metais pesados que se filtrarían desde a explotación.
Concelleiras e concelleiros do BNG de até 20 municipios concentráronse este sábado perante a mina en Touro. Estiveron presentes edís de Teo, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, Arzúa, A Pobra de Caramiñal, Ribeira, Vila de Cruces, A Estrada, Pontecesures, Catoira, Vilagarcía, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Cambados, Sanxenxo e O Grove. Xosé Luís Rivas Mini -informa o BNG por meio dun comunicado de imprensa- instou a Xunta a escoitar o "clamor social" que se ten levantado contra un proxecto de megaminería contaminante que non dubidou en cualificar de "colonial e espoliador". O parlamentar alertou de que a súa plena posta en marcha había supor o desaparecimento de miles de hectáreas de terras agrarias produtivas e que até impactaria na conca do Río Ulla, con secuelas negativas para os bancos marisqueiros da Ría de Arousa. "Estamos a falar dun novo Corcoesto e non se pode permitir", recapitulou o parlamentar nacionalista. "Paramos Corcoesto e seremos capaces de parar este proxecto en Touro-O Pino", afirma Xosé Luís Rivas 'Mini' O proxecto de reapertura da mina -indica o BNG- implica a ampliación de 2.000 hectáreas e 120.000 quilómetros cadrados. Unha vez posta en andamento, rexistaría por "volta de 2.000 voaduras ao ano, o tránsito continuo de camións de alta tonelaxe, ben como unha balsa de lodos ao lado das casas filtrando contaminación ás augas e ao terreno e con perigo directo para as vivendas". A mina estivo operativa entre 1973 e 1986 e o BNG enfatiza que aínda son "visíbeis" os efeitos desa explotación, "como se aprecia nas augas dos regatos que verten no Ulla, que continúan a rexistar unha altísima contaminación de metais pesados". Rivas -que anunciou que o BNG se suma á campaña de recollida de sinaturas encetada pola Plataforma Mina de Touro-O Pino Non- mostrouse certo de que a mobiilización popular será quen de "parar este proxecto", do mesmo xeito que se conseguiu frear o de Corcoesto.
NOS_45982
Regresa en xuño S8, a Mostra de Cinema Periférico da Coruña, que nesta edición se lle dedica a "Os novos impresionistas". Inaugurarase o 30 de maio cunha sesión de cinema-concerto coa proxección de 'O acorazado potemkin' sonorizada en vivo por Chris Jarrett.
O S8 celebra do 1 ao 5 de xuño a súa sétima edición. Unha edición especial baixo o nome de "Os novos impresionistas" que reunirá recoñecidos cineastas como o canadiano Stephen Broomer e o francés Jacques Perconte, artista do'glitch',que presentará unha 'performance'con música en directo eunha exposición da súa obra. Así mesmo, o festival presentará unha panorámica que inclúe os novos traballos de artistas internacionais ao redor da idea do impresionismo no cinema eu n programa histórico dedicado á cineasta, teórica e crítica Germaine Dulac. A sétima edición do festival comezará cun cinema-concerto a modo de gala inaugural o 30 de maio no Teatro Rosalía de Castro (A Coruña) no que se poderá ver a copia restaurada de 'O acoirazado Potemkin'. A proxección da obra mestra de Sergei M. Eisenstein e pedra angular da modernidade da montaxe cinematográfica será sonorizada en directo polo estadounidense Chris Jarrett, autor dunha partitura orixinal inspirada no filme. Na antesala do festival, o fin de semana do 28 e 29 de maio, o cineasta galego Miguel Mariño impartirá na Fundación Luis Seoane, dentro da sección Mini(S8), o obradoiro 'Fabricación de proxectores caseiros'. "Os novos impresionistas" é o nome co que este ano o S8 bautiza a súa edición especial, na que conflúen cineastas (emerxentes e veteranos) para os que a experimentación coa luz e as calidades pictóricas do cine é esencial. Investigando os límites da percepción sensorial e da subxectividade, este grupo de cineastas asina nalgunhas das obras visualmente máis estimulantesdos últimos anos. É o caso de Jacques Perconte, un dos artistas franceses máis solicitados da actualidade, que trae ao S8 unha exposición, unha performance sonorizada en directo e a estrea internacional do seu último filme, 'Save my Heart from the World'. Utilizando o vídeo dixital e explotando todas as posibilidades plásticas do chamado glitch (é dicir, as alteracións da imaxe causadas pola manipulación do código), Perconte abre portas a paisaxes imposibles de cores e formas insólitas. Tamén visita por primeira vez Galiza e o Estado Stephen Broomer, novo e, con todo, xa consagrado cineasta, conservador e teórico canadiano. Broomer traerá á Coruña os seus traballos en 16mm. Fitas nas que as cores e as texturas evocan o traballo dos primixenios impresionistas, nunha procura formal cuxo embriagador resultado achégao tamén aos autores máis abstractos dentro desta corrente. O apartado dedicado ao impresionismo complétase cunha selección de traballos recentes de artistas internacionais como os estadounidenses Jodie Macke, Robert Todd, o arxentino Pablo Mazzolo, oscanadianos John Price, Alexandre Larose e Eva Kolcze ou a británica Charlotte Pryce. O S8 tamén ofrecerá unha sesión dedicada a Germaine Dulac, pioneira do cinema e parte da corrente vangardista dos anos 20 designada como "impresionistas franceses", á que tamén pertenceron Jean Epstein, Louis Delluc e Abel Gance. O traballo de Dulac proxectarase en formato fílmico.
NOS_49338
Desde Ourense saía Emilia Pardo Bazán coa súa familia o primeiro día de xaneiro de 1873 con destino a Xenebra. Con pouco máis de 21 anos, a escritora elaborou o diario dunha viaxe que duraría cinco meses e que nunca publicaría. A Universidade de Santiago disponibiliza a súa crónica na rede, o que sería o primeiro libro da autora.
A escritora Emilia Pardo Bazán nunca se animou a publicar o seu "Apuntes de un viaje. De España a Ginebra (1873) que agora ven a luz en edición do profesor José Manuel González Herrán a través da Universidade de Santiago de Compostela, que ofrece a posibilidade de lectura en rede e descarga gratuíta do manuscrito. A crónica comeza no primeiro día de xaneiro de 1873, cando a escritora inicia un viaxe que duraría cinco meses e a levaría, canda o seu home, seus pais e un dos seus tíos, con destino a Xenebra pasando por cidades como Zamora, Burgos, Biarritz, Bayona, Burdeos, París, Turín, Milán, Venecia, Verona ou Trieste. O grupo visitaría tamén a Exposición Universal de Viena, inaugurada o 1 de maio de 1873. A escritora tiña daquela, iniciando a vintena, só publicado algúns relatos e versos, e estas son algunhas das primeiras páxinas que a autora decidiu reservar para o ámbito privado e só agora ocupan o espazo público incorporándose a súa bibliografía. "Sobre as mesas das fondas, sobre os meus xeonllos no tren, con plumas comidas de orín e lápices despuntados, tracei as miñas primeiras páxinas en prosa: o indispensábel Diario de viaxe, que non se me ocorreu publicar, nin o merece", escribe Pardo Bazán nun texto que recolle o editor José Manuel González Herrán. A recaudo familiar "En efecto, aínda que si o mereza, este texto nunca chegou a publicarse; mais a súa autora, afortunadamente, conservouno entre os seus papeis, e o mesmo fixeron os seus herdeiros", explica o editor que busca nunha interpretación de clave ideolóxica as razóns para que Pardo Bazán non fixera público o que sería o seu primeiro libro. O "manto de silencio" teríase debido, segundo o editor, a ser esta obra iniciática o reflexo dunha "peregrinaxe carlista" que non casaría coa evolución ideolóxica posterior da autora. "As auténticas razóns daquela saída de España -tamén políticas- tiñan que ver coa coñecida adhesión ao carlismo dos expedicionarios: especialmente o seu home, José Quiroga y Pérez, mais tamén dela mesma", sinala González Herrán que agradece a Juan Luis Blanco Valdés, Director do Servizo de Publicacións da USC a posibilidade de publicar o manuscrito, despois de anos de infrutuosas xestións para que o libro de Pardo Bazán fose editado. As 138 páxinas do caderno de viaxes conservábanse no fondo da Real Academia Galega, que colabora na publicación coa USC que entra a formar parte do seu repositorio de textos Minerva. Escrito en español, o libro de viaxes comeza: "Para no faltar desde el primer día a la palabra que os he dado de no omitir en estos rápidos apuntes el más pequeño detalle de mi viaje, mi cuaderno preparado y mi lápiz cortado recientemente descansaban en mis rodillas cuando la diligencia se puso en marcha". O texto completo pódese consultar ou descargar neste enlace.
NOS_11370
O Ministerio de Educación publicou os requirimentos exixidos para obter unha bolsa para o curso 2012-2013 que xa se pode solicitar a partir desta cuarta feira. Os parámetros endurécense e redúcese significativamente a partida orzamentaria dirixida a facilitar o estudo.
O estudantado universitario e de medias poderá solicitar a súa bolsa de axuda ao estudo --con carácter xeral e bolsa salario-- a partir desta cuarta. O Ministerio de Educación publicou no Boletín Oficial do Estado os criterios que se exixirán para a súa adxudicación. O Estado español dirixirá a este fin, un total 18,07 millóns de euros do orzamento de educación, menos que o curso 2011-2012. As bolsas de carácter xeral, sufragarán o custo total da matrícula. As axudas ao estudo dirixidas a estudantes de bacharelato, Formación Profesional, Ensino Artístico e ensinos superiores militares e relixiosos; manterán os parámetros económicos exixidos nos cursos anteriores. Non obstante, as bolsas encamiñadas a financiaren os custos académicos e máis a axudaren ao estudantado a vivir fóra da casa --na procura de evitaren que estes compaxinen emprego e estudos--, mudan os criterios de adxudicación e mantemento. O Ministerio de Educación, exixirá para as primeiras matrículas unha nota media no expediente de 5,5 puntos (tanto para estudos de bacharelato coma primeiros cursos de universidade). Para manter a bolsa nas segundas e terzas matrículas, o estudantado deberá superar o 85% dos créditos nos que estiveren matriculad@s (o curso anterior supuñan o 80%). Aquelas persoas maiores de 25 anos que cursen estudos universitarios públicos de grao, mestrado, diplomatura, enxeñería téctina ou arquitectura técnica precisarán unha nota media de 5,5 puntos para manteren unha bolsa-salario ou de carácter xeral nos segundos e seguintes cursos a partir deste. Así mesmo, exixiráselles superar o 65% dos crédidos para Arquitectura e Enxeñerías; o 80% para estudantes de Ciencias da Saúde e o 90% para alumnado de Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas. Os estudos de mestrado oficial fixarán nun 6,5 o acceso a unha axuda de carácter xeral do ministerio español, agás para aquelas titulacións que se dirixan cara á profesións reguladas (mestre e mestra), en cuxo caso se situará nun 6. Para poderen manter a bolsa no segundo ano, o estudantado deberá manter a mesma calificación que no curso anterior. Para accederen a unha bolsa-salario exixiráselles unha nota media entre 6,5 e 7 puntos dependendo de se a titulación está ou non regulada.
NOS_38174
Un estudo de Amnistía Internacional responsabiliza a UE de financiar Libia para evitar facerse cargo dos migrantes que van cara a Europa. Isto provoca constantes violacións contra as persoas capturadas no mar Mediterráneo, que logo son fechadas nos campos de detención e deportación libios.
A Unión Europea (UE) é "cómplice" das "horríbeis violacións" contra os migrantes enviados a Libia tras seren capturados nas augas do mar Mediterráneo, condenou esta quinta feira, 15 de xullo, Amnistía Internacional (AI) nun informe. "Violacións atroces [dos dereitos humanos], incluída a violencia sexual contra homes, mulleres e nenos" son comúns, advirte a entidade, que revela que só a finais de xuño máis de 6.000 migrantes foron traslados a estes campos. A situación que presenta o documento, baseado en entrevistas con 53 persoas entre 14 e 50 anos que proveñen na súa maioría de Nixeria, Somalia e Siria, é corroborada pola Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas (ONU) para os Dereitos Humanos, que en maio advertiu de que os "migrantes devoltos a Libia están sistemática e rutineiramente enfrontando risco de morte, desaparicións, detencións, torturas, maltrato, violencia machista e explotación". Isto non é unha anomalía tráxica, apunta a institución da ONU, senón "a consecuencia de decisións e prácticas políticas concretas postas en marcha polas autoridades libias e os Estados membros e institucións da Unión Europea, así como outros actores". Nos primeiros seis meses de 2021, 15.000 persoas foron interceptadas no Mediterráneo e trasladadas ás costas libias. Nestes centros repórtanse agresións sexuais a crianzas e homes, pero especialmente contra as mulleres, salienta AI, que denunciou que os gardas destes centros violábanas a cambio de necesidades básicas como auga, ou da súa liberación. A responsabilidade da Unión Europea Desde a caída de Muamar el Gadafi, Libia é un Estado con varias faccións en conflito permanente para facerse co poder. Isto non evitou que recibira millóns de euros procedentes da UE en xeral, e de Italia en particular, "para evitar que os migrantes e refuxiados crucen o Mediterráneo cara a Europa", financiando e dando formación aos gardacostas de Libia, afirma AI. En 2012, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenou Italia por enviar refuxiados capturados en alta mar a Libia, debido a que estaban "expostos ao risco de malos tratos en Libia e de repatriación a Somalia ou Eritrea", mais a sentenza non impediu que estas prácticas continuaran. UE "optou por investir millóns de euros en asegurar, externalizar as fronteiras e na cooperación con terceiros países condicionada ao control da inmigración", e así evitar ter que asumir a súa responsabilidade á hora de xestionar os seus lindes, destaca o Comité para a abolición das débedas ilexítimas (Cadtm), con sede en Bélxica. Esta estratexia comezou en 2014 coa creación da Operación Tritón a cargo de Frontex, a Axencia Europea da Garda de Fronteiras e Costas, que incorporou acordos con Estados como Turquía, Libia ou Marrocos para controlar o paso de migrantes e convertelos nos seus centros de detención e deportación aos seus países de orixe, até "a axuda pública ao desenvolvemento é desviada para estes fins", denuncia o Cadtm. Tres anos despois, coa intención de evitar que os axentes de Frontex tivesen que realizar as detencións no Mediterráneo, o cumio de presidentas e presidentes da UE que decorreu na Valeta (Malta), acordou un investimento de 131 millóns de euros para equipar os gardacostas libios e frear a onda de migrantes en dirección ao club comunitario. A UE recoñece que os acordos co denominado Goberno de Unidade Nacional ascenden a 408 millóns de euros que proveñen do Fondo Fiduciario de Emerxencia para África. Isto supuxo unha redución inmediata no número de pasos pola canle de Sicilia, de 100.000 en 2016 a 21.000 en 2017, mais a custa de, entre outros, o "comportamento temerario, neglixente e ilexítimo dos gardacostas libios no mar e das sistemáticas violacións de dereitos humanos nos centros de detención", explicou Diana Eltahawy, investigadora de AI, o que engade aínda máis risco e violencia á migración en dirección a Europa. A organización Internacional para as Migracións, dependente da ONU, rexistrou 12.372 mortes no mar Mediterráneo desde 2014. No que levamos de 2021, 929 persoas perderon a vida. Frontex, unha axencia cuestionada Malia que a dereita e a extrema dereita impediron a reprobación ao director da axencia, Fabrice Leggeri, o informe aprobado onte na Comisión polas Liberdades Civís do Parlamento Europeo deixa ver que Frontex permite a violación dos dereitos humanos nas fronteiras da UE, ignorando a actuación de Estados membros como Hungría, Croacia ou Grecia. Ademais, desvela unha avaliación interna da axencia na que indicaba que non se podía descartar a súa participación directa nalgúns destes casos, maioritariamente de deportacións sen o debido proceso xudicial e expulsións forzosas. Para as parlamentarias e parlamentarios que elaboraron o documento, no que a dereita e a extrema dereita impediron que fosen incluídas as declaracións de vítimas e organización no terreo, a falta de preocupación de Frontex por estes asuntos leva a que teñan vacantes máis de vinte postos de traballo para supervisión dos dereitos humanos. Máis de 600.000 persoas desprazadas 170.000 desprazados internos, máis de 50.000 solicitudes de asilo e de 600.000 persoas que pasaron por Libia son resultado dos conflitos e da violencia, segundo informa Acnur, a axencia da ONU para as persoas refuxiadas. Como alternativa á situación actual, AI propón no seu estudo Ninguén virá por ti. Regreso forzoso do mar á detención abusiva en Libia, que, ademais de rachar os seus acordos sobre migración e control de fronteiras con Libia, a UE ten que abrir corredores de migración legais, que permitan protexer e reasentar as persoas que foxen de Libia e dos conflitos na contorna.
NOS_36122
A maioría das persoas identifica a Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas cos seus famosos Oscars, mais non é tan coñecido o xigantesco labor que a institución desenvolve en favor da preservación da memoria do cinema. A Mostra de Cinema Periférico, S8, trouxo á Coruña Mark Toscano, conservador do Academy Film Archive, con quen conversamos sobre as funcións do arquivo e os desafíos actuais do seu traballo. Eis un extracto da entrevista, publicada no número 352 do semanario en papel Sermos Galiza.
O Academy Film Archive nace formalmente en 1991, mais a Academia, fundada en 1927, empezou a acumular filmes apenas dous anos despois do seu nacemento. Como xurdiu e se desenvolveu o arquivo? Antes de existir o arquivo, a vasta colección de filmes da Academia era considerada unha colección especial da Biblioteca Margaret Herrick, que é impresionante. Conservan unha morea de cousas: fotografías, negativos fotográficos, guións, documentos, obxectos… A xente da Biblioteca fixo un gran labor, mais non había un arquivo enfocado estritamente ao material fílmico. En períodos illados mesmo houbo certos esforzos de preservación polo empeño particular de determinadas persoas, mais non había unha institución específica, nin unha política específica. Nos 80 medrou moito a conciencia en todo o mundo sobre a importancia dos arquivos fílmicos, empezouse a falar máis deste tema. A creación en 1991 do Arquivo da Academia respondía a esa maior conciencia. Empezou cun equipo moi pequeno, apenas tres persoas, e durante anos contaron cunhas oficinas e espazos de traballo na biblioteca. Como a colección medrou rapidamente, houbo que alugar almacéns privados. Finalmente conseguimos un edificio propio en Hollywood, onde se trasladou o equipo do Arquivo e boa parte da colección. Un verdadeiro fito foi a restauración dos filmes do cineasta indio Satyajit Ray. Recibiu un Oscar honorífico en 1992 e mentres preparaban o acto e buscaban imaxes decatáronse de que os seus filmes estaban en moi mal estado e dalgúns non atopaban copias. Iniciouse un proceso de restauración dos seus filmes no que a Academia contou con diversos apoios e colaboracións e agora hai 21 títulos de Ray preservados. Non foi a primeira restauración que se fixo no Arquivo, mais foi o primeiro proxecto realmente importante que captou grande atención. Para alén de filmes comerciais, o Arquivo ten unha notábel colección de cinema experimental, filmes domésticos, coleccións especiais como os filmes da aventureira Aloha Wanderwell… Como chegan ao Arquivo? Non hai un único camiño. A colección de cinema experimental empezou antes de eu chegar. O primeiro director do arquivo, Michael Friend, é un apaixonado do cinema experimental e unha das cousas que el quixo facer foi preservalo no seo da Academia. Aínda que a Academia fixo sempre un traballo moi diverso, está asociada popularmente aos Oscars, que á súa vez soen identificarse coa industria do cinema comercial. Penso que non é totalmente correcta esa visión, mais comprendo que esa impresión exista. Michael Friend trouxo os filmes dos irmáns John e James Whitney, Oskar Fischinger, Morgan Fisher, Nina Menkes, Warren Sonbert… moitas coleccións importantes. Michael foi a conexión con ese mundo. Xa non estaba cando me contrataron en 2003, mais penso que viron en min o potencial para seguir nesa liña, porque eu viña de traballar tres anos en Canyon Cinema e tiña formación como conservador. Como é o proceso de traballo no Arquivo para a preservación dos filmes? Primeiro entro en contacto co cineasta ou coa súa familia e pregúntolles se queren poñer os seus filmes no arquivo. O que fan é depositar os filmes, o cal significa que manteñen a súa propiedade. Ese é un primeiro xesto importante de confianza: non lles pedimos que nos dean os filmes, só que nos deixen facernos cargo do seu coidado. Ás veces hai tamén doazóns de material, mais no caso dos cineastas independentes o procedemento máis común é o depósito. Preparamos un contrato que deben asinar, moi sinxelo. Cando temos a colección con nós, inspeccionámola coidadosamente e revisamos todos os negativos. Así obteño unha impresión xeral do estado da colección: que filmes están máis en perigo, cales están en boas condicións, cales nin unha cousa nin outra… A partir desa información decido as prioridades. Por suposto, teño en conta como é de significativo ou importante un filme, mais non é a única razón; de feito, até pode ser un mal achegamento ao problema porque corres o risco de preservar só os "grandes éxitos" do cinema experimental e eu non quero facer iso. Cando decido sobre que filme actuar, fago unha análise máis detallada do material e o seu estado. Se non está mal, é un proceso moi básico, parto do negativo, decido o laboratorio que vou empregar, porque cada laboratorio ten as súas propias fortalezas e debilidades, e planifico os procesos que deben facer alá. Ás veces preparo notas para que teñan especial coidado cun esvaecemento da imaxe aquí ou unha sobreimposición acolá. [Podes ler a entrevista íntegra no número 352 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
PRAZA_12577
O francés analizou na primeira xornada da Semana Galega da Filosofía, organizada pola Aula Castelao, o derrubamento das conquistas sociais propiamente europeas, "dereitos sociais en perigo debido ás medidas ultraneoliberais de gobernos títere de institucións económicas con cargos non electos polos cidadáns". Para facer fronte a esta situación, o politólogo contrapuxo casos recentes de América Latina (Arxentina ou Ecuador), nos que a presión popular puido suavizar a presión financeira.
O francés analizou na primeira xornada da Semana Galega da Filosofía, organizada pola Aula Castelao, o derrubamento das conquistas sociais propiamente europeas, "dereitos sociais en perigo debido ás medidas ultraneoliberais de gobernos títere de institucións económicas con cargos non electos polos cidadáns". Na conferencia que pechaba o día, centrada na relación entre o poder político e o poder económico en Europa Toussaint foi tallante ao afirmar que "os gobernos dos países da Unión Europea estanse a someter ás dictaduras dos mercados financieiros e das grandes empresas privadas" e denunciou que "os gobernos actúan para que os poderes públicos se sometan ás empresas". "Os políticos ou están xa nas empresas ou acaban despois nelas" De igual xeito, advertiu de que "hai unha complicidade moi activa e estreita entre o persoal da clase política que goberna e as grandes empresas privadas financieiras e non financieiras. Esta crise móstrao de forma evidente: basta ver as formacións, os membros dos gobernos" e concluíu que "hai pontes permanentes entre o poder económico e político. Os políticos ou están xa nas empresas ou acaban despois nelas". "É perfectamente posible ser indisciplinado con respecto aos mercados e potencias estranxeiras. Arxentina negouse a pagar a débeda externa e obtivo crecemento económico" Toussaint foi moi pesimista co camiño que levan as economías europeas coas medidas adoptadas: "As políticas que se levan a cabo van prolongar a crise" e en concreto sobre España afirmou que "a débeda española crece pola transferencia da débeda das empresas privadas ao tesouro público". Para facer fronte a esta situación, o politólogo contrapuxo casos recentes de América Latina (Arxentina ou Ecuador), nos que a presión popular puido suavizar a presión financeira: "É perfectamente posible ser indisciplinado con respecto aos mercados e potencias estranxeiras. Arxentina negouse a pagar a débeda externa e obtivo crecemento económico". Ana Miranda: "Cómpre desenvolver un proxecto social definido por nós que sitúe a Galicia en Europa" Pola tarde Ana Miranda, europarlamentaria nacionalista, falou da situación e do papel de Galicia nas institucións europeas, que se artellaron prescindindo ou relegando a un papel inferior a nacións como Galicia. Miranda afirmou que "a desvantaxe de Galicia en Europa débese a tres factores: a carencia de estado propio, a concepción de Europa a partir da idea de Estado-Nación e a posición de Galicia na Europa periférica (periferia no sentido sociolóxico, non físico)". A eurodeputada defendeu que "hai que pasar dunha Europa dos Estados a unha Europa dos pobos" e que cómpre "desenvolver un proxecto social definido por nós que sitúe a Galicia en Europa". De igual xeito, salientou que "o enfoque das políticas europeas, en lugar da cohesión, leva á colisión". Inauguración dunha semana dedicada á idea de Europa A Semana Galega de Filosofía inaugurárase pola mañá cun discurso do coordinador da Aula Castelao, Carlos Calviño, que fixo un repaso á historia do continente, facendo fincapé na converxencia entre o poder económico e relixioso, que funcionaron como base sólida do colonialismo e do capitalismo. Calviño argumentou que despois da Ilustración, na que agroma a razón revolucionaria, o cambio de paradigma occidental que Nietzsche augurou como forza de subversión, "pasa primeiro polo nihilismo negativo, que deriva nunha sociedade dos últimos homes, isto é, a versión conservadora da posmodernidade que, de feito, se efectuou ata o de agora". Para Muñoz Veiga, o proxecto europeo contén, coma todo, un triunfo e un fracaso Jacobo Muñoz Veiga, catedrático de Filosofía na Universidade Complutense de Madrid, foi o encargado de abrir esta edición, e fíxoo coa conferencia A herdanza de Europa: crise e conflito. Nela profundizou nas raíces da identidade europea, así como no propio proceso ilustrado como fonte do proxecto europeo común. Para Muñoz Veiga, este proxecto contén, coma todo, un triunfo e un fracaso. O fracaso, a razón instrumental como único modo de racionalidade e a hexemonía da sociedade de consumo despois da caída dos metarrelatos. O triunfo: o programa universalizable, consistente "no Estado de Benestar, na idea de democracia, no cosmopolitismo, na noción de cidadán e na autonomía civil". A sesión deste martes comezará coa intervención de Antonio García-Santesmases Martín-Tesorero (UNED), que falará sobre A encrucillada europea e a crise da democracia. Pola tarde Fermín Bouza Álvarez (Universidade Complutense de Madrid) ofrecerá unha conferencia sobre Europa na opinión pública. E, finalmente, pola noite Carlos Berzosa (Universidade Complutense de Madrid) achegará a súa visión sobre África, espello do mundo.
NOS_46146
Volta o Convivio da Cultura Galega á carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, para celebrar a figura de Manuel María e o traballo do asociacionismo cultural de base. Será o sábado 9 de xullo.
Tras o paro motivado pola situación de emerxencia sanitaria, o sábado 9 de xullo regresa o Convivio da Cultura Galega á carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei. Organizada pola federación de asociacións culturais Galiza Cultura e pola Casa Museo Manuel María, coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo, a xornada arrancará ás 11.30 horas diante da Casa de Hortas, onde naceu Manuel María. Acompañará as persoas presentes a música de Birloque Gaiteiros. Entidades de todo o país danse cita en Outeiro no Convivio da Cultura Galega Ás 11.45 prevese a saída á pé á carballeira de Santa Isabel, previa parada no cemiterio de Outeiro de Rei para realizar a ofrenda floral ao escritor finado en 2004. Ás 12.30, comezará a actuación da banda de música Sons e Soños, de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, dirixida por Armando Morales e acompañada da voz de Uxía. Após o xantar de confraternidade, será a quenda da foliada, da que participarán os grupos Parabéns, Xurxo Souto e Richi Casás, Tradivivas Agra, Birloque Gaiteiros, Arinhos do Fiouco e Foliadeir@s do Castro. Unha festa que será conducida por Xurxo Souto. Ao igual que en anos anteriores, as directivas das entidades pertencentes á federación reuniranse ás 12.15 horas para facer balance do ano e para marcar as liñas de actuación comúns para o seguinte exercicio. O punto de encontro será a Casa-Museo. Festa no lugar onde escribía Manuel María A romaría de Santa Isabel na claridade / eslumeante do ardoroso xullo, / antes de comezar a dureza / e a ledicia da seitura, conmovíame / dun xeito sutil e imperceptíbel. / A música das bandas mesturábase / co lento e xordo salmodiar do Miño... escribira Manuel María, quen múltiples veces referenciou e cantou a ese espazo natural, á beira do Miño. Carballeira e romaría volven darse a man nesta xornada de amizade e compañeirismo de carácter galego e popular. Nove edicións despois, a traxectoria do convivio amosou que hai necesidade dunha celebración como esta, tan próxima a Manuel María, cos pés na cultura de base.
PRAZA_19422
En 1998 eran 87 as localidades con máis poboación moza que por riba da idade de xubilación. Mapas interactivos no interior, cos últimos datos por localidades publicados polo IGE o pasado venres, correspondentes a 2016
En demografía adóitase dividir a poboación en tres grupos de idade (menores de 20, entre 20 e 64 e maiores de 65) para analizar a xuventude ou o carácter envellecido dun determinado grupo humano. No conxunto de Galicia, por exemplo, os últimos datos publicados polo IGE, correspondentes a 2016, indican que hai 430.299 persoas de menos de 20 anos (o 15,82%) e 661.314 de máis de 65 (o 24,31%). En 1998, hai apenas 18 anos, aínda había en Galicia máis poboación moza (o 20,5%) que por riba da idade de xubilación (19,3%). En 1998, hai apenas 18 anos, aínda había en Galicia máis poboación moza (o 20,5%) que por riba da idade de xubilación (19,3%) Hoxe, só 20 concellos teñen máis menores de 20 anos que maiores de 65, cando en 1998 eran 87 as localidades con máis poboación moza que por riba da idade de xubilación. Trátase de Ames, Salceda de Caselas, Ponteareas, Barbadás, Oroso, Culleredo, Soutomaior, Tui, Poio, Oleiros, Gondomar, O Porriño, Arteixo, Cambre, Pontevedra, Teo, Mos, Pontecesures e Burela. Lugo e Ourense rexistran apenas un 13% de menores de 20 anos e chegan ao 29% e ao 31%, respectivamente, de maiores de 65 Pero a realidade de Galicia é moi diversa, como se observa xa debullando os datos por provincias, rexistrando Lugo e Ourense apenas un 13% de menores de 20 anos e chegando ao 29% e ao 31%, respectivamente, de maiores de 65. Se analizamos os datos por concellos, as diferenzas son aínda maiores. E pódese ver individualmente a evolución seguida en cada localidade dende o ano 1998. Ames, Salceda de Caselas, Ponteareas, Barbadás, Oroso, Culleredo, Soutomaior, Tui, Poio e Oleiros son os únicos concellos que se manteñen por riba do 20% de poboación menor de 20 anos Neste mapa pódense observar dunha ollada as zonas de Galicia cunha maior e unha menor porcentaxe de poboación menor de 20 anos. Ames, Salceda de Caselas, Ponteareas, Barbadás, Oroso, Culleredo, Soutomaior, Tui, Poio e Oleiros son os únicos concellos que se manteñen por riba do 20%. Localidades todas próximas a grandes cidades (Compostela, Vigo, A Coruña, Pontevedra e Ourense). Nas urbes comezan xa a percibirse os efectos do envellecemento e só Pontevedra (17ª, co 18,98%) rexistra unha importante porcentaxe de poboación menor de 20 anos. Lugo (42º), Vigo (47º), Ourense (53º), Santiago de Compostela (57º), A Coruña (69º) e Ferrol (85º, cunha porcentaxe de 14,78%) aparecen moito máis atrás. No extremo contrario atopamos 136 concellos con menos do 10% de poboación nova e mesmo 9 por debaixo do 5%. Parada de Sil, cun 3,69%, pecha a lista. Hai seis concellos (Larouco, San Xoán de Río, Ourol, Lobeira, Verea e Parada de Sil) nos que máis da metade da poboación ten máis de 65 anos Estoutro mapa destaca a Galicia máis envellecida. Hai seis concellos (Larouco, San Xoán de Río, Ourol, Lobeira, Verea e Parada de Sil) nos que máis da metade da poboación ten máis de 65 anos e outros 70 nos que a porcentaxe se move entre o 40% e o 50%. Ames, Salcedasde Caselas, Arteixo e Oroso son os únicos por debaixo do 15% de maiores.
NOS_39212
Máis de 6.000 persoas foron atendidas na terza feira nas urxencias hospitalarias e os PAC.
O andazo de gripe xera colapsos nos servizos de urxencias dos hospitais do Sergas, como denuncian profesionais, sindicatos e colectivos de persoas usuarias. Un andazo que, sostén o informe semanal da Xunta, está nunha "intensidade media" mais con tendencia á alza. Fica, logo, aínda por vir 'o pior'. A estas alturas xa estamos a niveis do andazo de 2014-2015. Esta terza feira perto de 2.900 doentes foron atendidos nos servizos de urxencias dos hospitais galegos, dos cales un 18% ficou ingresado. Nos puntos de Atención Continuada (PAC) foron atendidas 3.523 persoas por procesos gripais. Delas. O 7% foron derivadas a hospitais. O Sergas recoñece problemas de saturación no Chuac (A Coruña) e en Ferrol. Desde colectivos de doentes indican que a saturación ou colapso afecta a máis complexos hospitalarios, como o Clínico de Compostela. Lamentan, aliás, os recortes que se derivan en falla de persoal e medios abondo para afrontar situacións como esta.
PRAZA_4012
O número de novas probas PCR diminúe nun punto e o avance de positivos activos modérase nunha proporción semellante; son agora 6.704 e os novos casos detectados, 117. O total de falecementos chega a 498, seis máis e tres deles, de persoas que viviran en residencias. O número de persoas hospitalizadas a causa da covid-19 en Galicia é o menor dende o 26 de marzo e as persoas illadas a domicilio son por primeira vez máis de 6.000
O Servizo Galego de Saúde incorporou aos seus datos de impacto do coronavirus o resultado de 2.693 novas probas PCR, as máis precisas, ata un total de 78.822. O incremento no número de probas foi dun 3,54%, arredor dun punto menos do que aumentara un día antes. E para esta xornada, 24 de abril, o aumento de novos positivos activos tamén é arredor dun punto menos que o día previo: avanzan un 0,86%, o menor aumento na última semana, e quedan en 6.704; 57 máis que no día anterior.O número de novas probas PCR diminúe nun punto e o avance de positivos activos modérase nunha proporción semellante; son agora 6.704 e os novos casos detectados, 117Así e todo, o número de novos casos detectados en Galicia segue a ser, malia a redución no número de probas, de máis dun cento por xornada. Nesta ocasión abrollan 117 novos [podes consultar aquí polo miúdo a diferenza entre o incremento de positivos activos e novos casos detectados] e a media dos últimos tres días rolda os 150. Todo, nunha xornada na que Sanidade rexistra seis falecementos máis -na xornada previa foran 17-, tres deles de persoas que viviran en residencias de maiores, centros dos que procedían o 45% das persoas falecidas pola covid-19, segundo os rexistros oficiais do Sergas.Estes datos danse nun contexto no que o número de altas hospitalarias segue lonxe de dispararse, pero avanza un día máis con maior ritmo que os novos positivos activos, contribuíndo a descargar o sistema hospitalario da presión pola pandemia. Son xa 1.730 as persoas que ingresaran por esta causa e recibiron a alta, un 3,22% máis.O total de falecementos chega a 498, seis máis e tres deles, de persoas que viviran en residenciasO incremento das altas é maior que o avance dos positivos activos e tamén que o incremento de falecementos, que se incrementan nun 1,22%. As persoas que morreron en Galicia co coronavirus, sempre segundo Sanidade, son un total de 498 e delas, 229 viviran en residencias de maiores ou dependentes. Isto supón acadar o devandito 45% sobre o total de persoas falecidas e delas, máis da metade (116) morreron nos propios centros residenciais.Ao tempo, Sanidade e Política Social indican que este 24 de abril "se volve reducir o número neto de positivos en centros residenciais, posto que se rexistraron máis curacións que novos contaxios". A estatística de Sanidade reflicte 897 persoas usuarias con positivos activos da covid-19 e 347 membros do seu cadro de persoal na mesma situación. En ambos casos, os números indican que son 13 positivos activos menos en cada colectivo.Maior baixada da hospitalización en máis dunha semanaO número de persoas hospitalizadas a causa da covid-19 en Galicia é o menor dende o 26 de marzo e as persoas illadas a domicilio son por primeira vez máis de 6.000A tendencia que varía menos é, dende hai xa practicamente dúas semanas, a da hospitalización. A covid-19 continúa a diminuír a súa presión nos hospitais galegos e moi especialmente nas UCI, tras dúas semanas e media de caída do número de pacientes que precisan asistencia de coidados intensivos por mor da doenza. Agora son 87, o que implica baixar das 90 por primeira vez dende o 26 de marzo tras experimentar un retroceso do 5,43%. Desta volta diminúe en maior proporción a hospitalización ordinaria polo coronavirus, que queda en 531 persoas, un 6,51% menos. É tamén a menor cifra dende o 26 de marzo e deixa o total de persoas hospitalizadas a causa da pandemia en 618.Mentres a hospitalización segue a baixar, o número de persoas con positivos en covid-19 que están illadas nos seus lugares de residencia -incluíndo maiores e persoas con discapacidade en residencias- aumentan un 1,65% e son por primeira vez máis de 6.000. Chegan, concretamente, ás 6.086 e cruzan xa o limiar do 90% do total de positivos activos.O maior incremento segue na Coruña e a maior incidencia, en Ourense malia ao descensoO incremento na Coruña é menor que en días previos; a menor incidencia segue en PontevedraNo que atinxe á distribución de positivos activos por áreas sanitarias, un día máis o maior incremento en termos absolutos é na área da Coruña-Cee, aínda que en menor medida que en días previos. Esta área suma 34 positivos activos e chega aos 1.584. A maior incidencia, non obstante, segue na área de Ourense, con 426 casos por cada 100.000 habitantes. Este indicador redúcese un chisco, non obstante -eran 429 un día antes- porque a área ourensá rexistra nove casos positivos activos menos e queda en 1.302.No resto de áreas, a evolución vai dende os 20 novos casos da de Lugo aos 13 menos de Santiago. A incidencia, non obstante, está en todas elas lonxe da de Ourense. A segunda maior é a da Coruña -287 casos por cada 100.000 habitantes- e a menor é a de Pontevedra, con 187 casos por cada 100.000 habitantes.
NOS_9058
O sector máis conservador do Tribunal Constitucional quere abrir un debate para deixar 29 congresistas de formacións independentistas e Unidos Podemos sen escano.
O sector máis conservador do Tribunal Constitucional quere abrir un debate para deixar sen escano 29 congresistas de formacións independentistas e Unidos Podemos no Congreso, segundo Eldiario.es. Trátase dos deputados e deputadas que empregaron diferentes formas de tomar posesión durante a constitución das cortes o 3 de decembro, sinala o xornal. Xa o 3 de decembro, varios grupos como Vox, o PP e Ciudadanos queixáronse ao presidente do Congreso e pedíronlle que non aceptase o xuramento destes 29 deputados, entre eles Néstor Rego (BNG). Nese momento, o líder do PP, Pablo Casado, anunciaba unha denuncia ante o Tribunal Constitucional pero Vox tomou a dianteira A formación de extrema dereita reclamou ao TC que todos os procedementos parlamentarios adoptados desde decembro de 2019 ficaran sen efecto, entendendo que 29 dos votos contados durante a votación nunca se deberon ter en conta. Vox reuniuse no Tribunal Constitucional cun sector de maxistrados sensíbel á súa petición: "Os postulados de Vox están a atopar receptividade na casa", asegura un maxistrado do TC ao citado medio. Os recursos que PP e Cs por este mesmo asunto chegaron á mesa da Sala Primeira do Tribunal Constitucional para o seu estudo e resolución. Esta sala decidiu arquivalos. Porén, un grupo de maxistrados non estaba de acordo coa decisión de arquivar os recursos e esixiu que o asunto se debatise nunha sesión plenaria. Para iso, presentaron un documento con seis sinaturas solicitándoo. Segundo as normas de funcionamento do TC, para levar un asunto ao plenoabonda con que o solicitan mínimo tres s maxistrados e iso é o que pasou. A proposta de arquivamento adoptada pola sala primeira xa non serve para nada e o debate terá que comezar a partir do 0 no pleno, onde os maxistrados próximos ao PP e Vox están na maioría. "Por imperativo legal" Á hora de tomaren posesión dos seus postos, todas as deputadas e deputados nacionalistas acataron a Constitución afirmando que o facían por "imperativo legal" e lembraron as súas posicións coa defensa dos seus pobos e co dereito á autodeterminación. Nese sentido, o deputado do BNG Néstor Rego prometeu a Constitución e, sostendo un exemplar do Sempre en Galiza, comprometeuse de viva voz "a defender a Galiza, a democracia e a soberanía. Por imperativo legal, prometo". Nas filas de Esquerra prometeuse acatar a Constitución "pola liberdade dos presos políticos e até a constitución da república catalá", aínda que algunhas delas engadiron máis expresións en contra "do fascismo, o franquismo e o racismo". Desde Junts prometeuse coa mesma fórmula remarcando con "lealdade ao mandato democrático de 1 de outubro, por fidelidade ao pobo de Catalunya, pola liberdade dos presos políticos e o retorno dos exiliados". Na CUP acatouse remarcando a lealdade das anticapitalistas co pobo de Catalunya, "Até a creación da República Vasca" foi a fórmula empregada por EH Bildu para prometer, mentres que no PNV non se engadiu ningunha fórmula alén do "imperativo legal". Na bancada de Unidas Podemos escoitáronse menos engadidos que na anterior toma de posesión. De feito, tanto Pablo Iglesias como Irene Montero e outras deputadas, tan só pronunciaron un "si, prometo".
NOS_47605
SOS Sanidade Pública denuncia a falta de persoal médico no Salnés.
Veciñas e veciños do Grove concentráronse esta sexta feira ante o edificio administrativo da Xunta, en Santiago de Compostela, para reclamar o seu dereito á saúde baixo o lema "No Grove exiximos médicos e pediatras xa". Na mobilización, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, denunciaron que o municipio leva "máis dun ano sen pediatra" e que teñen que desprazarse até o Hospital Provincial de Pontevedra e esperar fóra colas de "até sete horas". Así, o portavoz da plataforma, Rafael Iglesias, sostivo que "arrastramos moitos meses de falta de facultativos", e engadiu, "no centro de saúde estivemos meses sen atender consultas por falta de persoal". En canto á atención pediátrica, Iglesias incidiu en que á localidade correspóndenlle dous pediatras por ratio de poboación, e "levan moitos meses sen ningún". Pediatras advirten dunha epidemia de virus respiratorios: piden calma, recursos e mellor planificación "As crianzas non están a ser atendidas, non hai consultas e non hai revisións para detectar patoloxías", sostivo Iglesias. Na concentración estiveron presentes varias nais, como Eva González, que lamentou que "hai crianzas que naceron este ano e non teñen unha soa revisión feita por un pediatra". Así, criticou que se un neno ou unha nena está enferma teñen que gastar 50 euros para que os atendan na sanidade privada. Aliás, sinalou que hai un neno ingresado no CHUS de Santiago, derivado desde Pontevedra, "porque non o quixeron atender". Nesta liña criticou que as crianzas que acoden a Pontevedra "fan cola fóra con mantas" mentres esperan a ser atendidas porque o hospital "está desbordado". Advertiron de que "os recortes maltratan os profesionais sanitarios e condena os usuarios á morte por desatención". Protestas na Coruña, Covelo e Vedra A comisión de centro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña convocou tamén esta sexta feira unha concentración para denunciar un déficit "alarmante" do persoal, sobre todo de celadores e técnicos de imaxe para o diagnóstico de raio de Urxencias. "Se a situación continúa igual seguiremos coas protestas", manifestou a presidenta da comisión do centro, Lucía Peón. O centro de saúde de Vedra, nunha situación límite: "Literalmente está caendo a cachos" Ademais, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública convocou para este sábado en Covelo unha concentración pola falta de persoal médico no concello. E desde o centro de saúde de Vedra sosteñen que están nunha situación "límite" pois, denuncian, o centro de saúde "cae a cachos".
PRAZA_2382
Acaso esta sentenza llos vai devolver?. Di o refrán que "mais vale tarde que nunca", pero eu non podo evitar cuestionarme: de verdade ainda non e tarde?.
A pasada semana semellou traernos un chisco de luz no escuro panorama que rodea a violencia de xénero. Unha sentenza do Tribunal Supremo, pioneira en España, dictaba a privación da patria potestade para os proxenitores condeados polo asasinato da sua parella. Evidentemente, esta e unha boa nova, e, como non, eu tamén a acollín con alegría, pero tamén con un pouso de amargura, poida que mesmo de frustración e, por qué non decilo, de indignación. Non me vou a perder en vericuetos legais. Obviamente son profana nesta materia, pero si considero que teño todas as atribucións para opinar como vítima da violencia machista, e por riba de todo, como nai. A primeira sensación foi, como dixen, de alegría, pero, acto seguido, varios nomes se me viñeron a mente: Amaia, Candela, Andrea, José, Ruth ...... Os nomes destas rapazas e rapaces son soamente unha pequena parte dunha tráxica lista de menores aos que seu pai lles quitou a vida durante as visitas as que a xustiza considerou que un maltratador tiña dereito. Cuarenta e seis menores asasinados polo seu proxenitor durante as visitas ou vacacións nos derradeiros dez anos, oito neste dantesco verán do 2015, menores a os que na maioría dos casos suas nais suplicaron que se lles retirase o réximen de visitas a quen tiñan a certeza de que sería o verdugo dos seus fillos, de que non dubidarían en segarlles as suas vidas co único fin de facerlles dano a elas, as suas ex parellas, non foron razón bastante para que a xustiza, ou, mellor dito, quen ten a potestade de impartila, se plantexase que algo non se estaba a facer ben. Tampouco unha condea da ONU surtiu efecto. A espada de Damocles seguía pendurada sobre as cabezas de muitos nenos e nenas porque unha lei absurda e teimuda seguía empecinada en non privar dos seus dereitos a os asasinos. Unha vez mais a xustiza chega tarde, mui tarde. Era realmente preciso que tantas vidas foran truncadas do xeito mais brutal para que se chegase a materializar o que e obvio, que un asasino non pode ser un bo pai, que nin siquiera se lle debería denominar como tal?. Donde está esa prevención da que tanto se fala cada vez que se produce un novo asasinato por mor da violencia machista?. Acaso soamente nos lembramos dela no momento de sacar a foto ou de facer declaracións diante dun micrófono ou dunha cámara?. Quero pensar que o feito de impartir a lei non despoxa a quen o fai de humanidade e por eso eu lles preguntaría: Qué se imaxinan que estarán a sentir esas nais que perderon a os seus fillos e fillas nas mans das suas ex parellas porque compría respetar os seus dereitos?. Acaso esta sentenza llos vai devolver?. Di o refrán que "mais vale tarde que nunca", pero eu non podo evitar cuestionarme: de verdade ainda non e tarde?.
PRAZA_3508
Ten dereito a 16 semanas de baixa, pero a vista fixouse para seis semanas despois do parto. O Consello Xeral da Avogacía reclama que se respecte o dereito á conciliación das letradas, que na actualidade depende en moitos casos (sobre todo para as avogadas autónomas) da decisión discrecional do xulgado
Unha avogada de Ferrol viuse obrigada este martes no Xulgado do Social número 1 de Vigo a abandonar a sala de vistas para darlle o peito ao seu bebé, de 43 días. Posteriormente ela mesma difundiu nas redes sociais unha imaxe na que se pode ver a escena -ela vestida coa toga aleitando a súa filla nun dos corredores-, denunciando que tivo que facelo ante a fixación da vista para esta data, a pesar de que a súa baixa de nacemento de 16 semanas aínda non rematou."Polo visto os bebés das avogadas necesítannos menos que os das demais traballadoras, porque suspendín o xuízo, con informe xinecolóxico, e citáronmo para 6 semanas despois da data probable de parto", escribiu"Polo visto os bebés das avogadas necesítannos menos que os das demais traballadoras, porque suspendín o xuízo, con informe xinecolóxico incluído, e citáronmo para 6 semanas despois da data probable de parto. Ou non saben contar ou esquecen que as baixas de maternidade son de 16 semanas", escribiu en Facebook, nunha mensaxe que de inmediato recibiu numerosos apoios, destacando os dun gran número de avogadas, que tamén relataron casos semellantes."Comuniquei que ía estar de baixa por maternidade, dando por feito que un Xulgado do Social sabe que son 16 semanas, coa sorpresa de que colocaron o xuízo 6 semanas despois do parto. O meu cliente non quería que o representase outro avogado e non solicitamos un adiamento", explica en conversa con Praza.gal. "Podía terse resolto todo doutro xeito, pero a vista comezou con moito atraso e a nena tocáballe comer e comezou a chorar fóra. Como o letrado de Fogasa aínda non chegara, pedinlle ao xuíz se podía saír e de forma moi amable e dilixente permitiume facelo", destaca."Quixen subir a foto a Facebook para ilustrar unha realidade que nos sucede a moitas nais. Moitas compañeiras teñen que acudir a vistas no xulgado aos 15 días de dar a luz", explicaA avogada subliña que "a realidade é que non houbo ningún incidente, resolveuse todo con total normalidade". "Pero quixen subir a foto a Facebook para ilustrar unha realidade que nos sucede a moitas nais. Moitas compañeiras teñen que acudir a vistas no xulgado aos 15 días de dar a luz, e en ocasións apenas un par de días despois", denuncia. "Isto aplícase tamén aos homes: un avogado que vén de ser pai e que solicitou a baixa de paternidade non debería ter que acudir ao xulgado neses días, pero teñen que facelo", engade. "Isto aplícase tamén aos homes: un avogado que vén de ser pai e que solicitou a baixa de paternidade non debería ter que acudir ao xulgado neses días, pero teñen que facelo", diA letrada é tesoureira en Ferrol da Agrupación de Jóvenes Abogad@s de Ferrol, que xa fixo público o seu apoio. "Con toda a dilixencia e previsión do mundo pediu a suspensión do xuízo por coincidirlle con data próxima á prevista para o parto", lembra a entidade, que subliña que "neste caso, aínda considera que tivo sorte xa que o xuíz lle permitiu saír a dar para comer á nena mentres agardaban polo avogado do FOGASA, que se atopaba celebrando outro xuízo". "Esta é unha realidade presente en todos os xulgados de España que non podemos permitir", sinala a asociación, que reclama que se respecten as baixas de nacemento das avogadas e avogados."É sorprendente que teña moita máis repercusión o feito de que eu sacara o peito no xulgado para dar de comer á miña filla que as denuncias realizadas polo Consello Xeral da Avogacía", destacaA avogada destaca que "é moi sorprendente que teña moita máis repercusión o feito de que eu sacara o peito no xulgado para dar de comer á miña filla que as denuncias públicas realizadas polo Consello Xeral da Avogacía, pedindo que se suspendan as vistas cando hai baixas por maternidade e paternidade".O pasado 19 de febreiro o Consello Xeral da Avogacía Española (CGAE) reclamou a reforma das leis de enxuizamento para incluír a maternidade e a paternidade como causas de suspensión de vistas. Na actualidade, entre as causas de suspensión dunha vista a Lei de Enxuizamento Civil prevé a morte, enfermidade ou imposibilidade absoluta do letrado e a baixa por maternidade ou paternidade, así como a coincidencia de sinalamentos en diferentes órganos xurisdicionais. Porén, isto só protexe aos profesionais que exercen por conta allea, xa que ao estaren inscritos na Seguridade Social, recoñécenselles dereitos como permisos, períodos mínimos de descanso, vacacións ou baixas. "O recoñecemento do dereito á conciliación debe ser lexislativo, non pode estar sometido á discrecionalidade dos tribunais", di o CGAEPola contra, os avogados autónomos (que son maioría na profesión), están suxeitos a outro réxime que non prevé este tipo de beneficios. Neste caso, moitos xuíces rexeitan a suspensión de vistas, argumentando que o avogado pode buscar a un compañeiro que o substitúa no xuízo. Porén, isto supón un prexuízo para os autónomos, xa que se deixan o caso, non cobran. "O recoñecemento do dereito á conciliación da avogacía debe ser lexislativo, non pode estar sometido á discrecionalidade dos tribunais", salienta Margarita Cerro, presidenta da Comisión de Igualdade do Consello Xeral da Avogacía."A realidade do sector é que o 90% dos avogados somos autónomos, cando menos en Ferrol. E ademais non é tan fácil pasarlle un caso a un compañeiro, casos nos que levas traballando meses e que só ti tes na cabeza todos os detalles", sinala. "Non pedimos nada que non teñan os demais traballadores e non pedimos nada que non pidan os demais autónomos, que tamén sofren este problema", conclúe.
NOS_57120
A resposta do Goberno español a unha pregunta parlamentar do BNG por excluír o galego nas bases duns premios do Ministerio de Igualdade a teses, equipara as linguas oficiais diferentes do español con calquera lingua estranxeira.
O Ministerio de Igualdade, en resposta a unha queixa da Mesa pola Normalización Lingüística debido á exclusión do idioma galego nas bases dun premio convocado por ese departamento, "equipara as linguas oficiais diferentes do español con calquera lingua estranxeira". Así o denunciou a entidade galega, que exixe "a rectificación ou o cese da responsábel política, Victoria Rosell" e unha entrevista coa ministra de Igualdade e co delegado do Goberno. Foi en xuño cando a Mesa denunciou que o Ministerio de Igualdade negaba "o mínimo recoñecemento do galego", ao excluír dos "Premios da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero a teses doutorais sobre violencia contra as mulleres" os traballos que foran presentados en calquera lingua oficial do Estado diferente do castelán. Preguntada ao respecto polo deputado do BNG, Néstor Rego, a delegada contra a violencia de xénero, Victoria Rosell, respondeu "con tópicos e prexuízos contra as outras linguas oficiais nos seus territorios, negando o dereito das galegas e galegos a optar en igualdade de condicións a premios públicos", critica a Mesa. A entidade en defensa do galego xa anunciou que pedirá que se anulen as convocatorias que discriminan o uso das linguas oficiais do Estado. Aínda que "o catalán, o éuscaro, o galego, o valenciano e o aranés son linguas cooficiais, recoñecéndose o dereito do cidadán a empregalas e a obriga dos poderes públicos de garantir este dereito, así como a protexer e promover o seu uso", a resposta oficial de Rosell insiste en supeditar este dereito fundamental da cidadanía ao carácter "nacional" dos Premios e á obriga de todos os estudantes a coñecer a lingua castelá. "A delegada confunde o deber de coñecemento do español fixado pola Constitución española cun suposto deber de uso", denunciou a vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, "e considera por tanto lexítimo coaccionar as persoas que cumpren todos os requisitos para se presentaren a un premio público e forzalas a usaren o castelán". "O emprego destes argumentos é máis grave aínda", recorda Quintas, "tratándose da delegación contra a violencia de xénero, por canto pode indicar da exclusión das vítimas de violencia machista polo uso do galego".
PRAZA_16684
En menos dun mes pechará a súas portas, dándolle tempo aos seus usuarios e usuarias para que copien ou exporten os seus contidos. Creado en 2003 por Pedro Silva (Goretoxo), o espazo despídese dicindo que "toca disolverse na néboa para que outras iniciativas poidan xurdir da reorganización das enerxías dispersas"
"Blogaliza foi un soño no tempo, unha illa na rede, un criadeiro de blogs destinado a permitir a comunicación e expresión persoal e libre. Blogaliza foi unha Zona Temporalmente Autónoma, pero agora toca voltar á oscuridade, disolverse na néboa para que outras iniciativas poidan xurdir da reorganización das enerxías dispersas. De aquí nun mes, o día 25 de abril de 2018, Blogaliza pecha as súas portas". Deste xeito despídese da rede Blogaliza, proxecto nacido hai quince anos e que chegou a acoller milleiros de blogs en galego. En menos dun mes o espazo desaparecerá da rede, dándolles tempo aos seus usuarios e usuarias para que fagan copia dos seus contidos e os exporten ou migren a outros servidores que tamén empreguen Wordpress. Para "gardar os devezos destes doce anos de actividade blogueira nunha caixa de bolachas", como se pode ler na despedida de Blogaliza. No ano 2010 a propia Blogaliza contabilizaba unha cifra aproximada de case 28.000 blogs escritos total ou parcialmente en galego Foi o 21 de xaneiro do 2003 cando Pedro Silva (Goretoxo) botou a andar Blogaliza, que nese momento aínda non se podía definir como portal, agregador ou hosting para blogs, se cadra máis como blog colectivo; "xa se pode suscribir quen queira, e xa pode mandar historias quen queira", dicía aquela primeira mensaxe, coa "vontade de crear unha comunidade de persoas usuarias dun sistema de subscrición e publicación de historias de ámbito galego". Nos anos seguintes estoupou o fenómeno das bitácoras persoais e Blogaliza foi un dos faros do que se deu en chamar Blogomillo, a comunidade de blogs en galego, que chegou a acadar unha gran dimensión e unha notable variedade de voces e de temas: Galicia, como metáfora do mundo. No ano 2010 a propia Blogaliza contabilizaba unha cifra aproximada de case 28.000 blogs escritos total ou parcialmente en galego. Nestes ultimos 12 anos Blogaliza "pasou por moitas etapas, dende a hospedaxe nun servidor cedido pola Asociación AGNIX e a conectividade e o aloxamento físico no Cesga, ata o soporte empresarial de Algueirada", explica o seu administrador na mensaxe de despedida enviada ás persoas usuarias do servizo. "Nos últimos tempos Blogaliza fixo moito por volver ás orixes: ao mantemento exclusivo por parte do seu titular. Pero os cambios no marco lexislativo que nos próximos meses se van producir no noso contexto mudan substancialmente as implicacións de manter un espazo como Blogaliza, polo que xa non podemos seguir adiante", sinala. "Afogamos levados tamén polo cambio de escenario das comunicacións entre persoas en Internet, e o que representan os blogues hoxe. A Rede non é a mesma de hai 12 anos" Cómpre ter en conta igualmente a decrecente actividade dos blogs nos últimos anos, substituídos por outras formas de publicación nas redes sociais. De feito, na actualidade Blogaliza xa só acollía 80 bitácoras, moi lonxe das cifras que manexaba hai unha década. "Afogamos, levados tamén polo cambio de escenario no que significan as comunicación entre persoas en Internet, e o que representan os blogues, hoxe. A Rede non é a mesma de hai 12 anos, e o sentido que daquela tiña Blogaliza, hoxe os feitos case o deixan sen significado: só mantemos 80 blogues vivos. Moitos que madureceron neste alcouve deixaron Blogaliza para mudar a outros hostings, e moitos máis morreron por inactividade", explica. "A conclusión, en metáforas, é sinxela: o rizoma volta á escuridade, a Zona Temporalmente Autónoma desaparece na néboa e Blogaliza pecha as súas portas. Foron moitos esforzos, moitas ledicias e unha enchente de amizade e vida. Foi un placer. Ate sempre", remata o texto e con el Blogaliza, que o 25 de abril desaparecerá para sempre, tras escribir un dos capítulos imprescindibles da historia galega de Internet e das novas tecnoloxías.
NOS_56290
Sanidade pon o 4 de decembro como horizonte para levantar os peches. Preocúpalle a presión asistencial co incremento dun 9,3% dos pacientes que terminan en UCI,.
A evolución epidemiolóxica no Carballiño podería supoñer a flexibilización das medidas restritivas impostas desde máis dun mes neste concello. Unha decisión que a vindeira sexta feira estará sobre a mesa do comité clínico para a xestión da pandemia na Galiza, que se atopa en proceso de elaboración dun documento que guiará a poíbel saída dos concellos das restricións máis severas. Así o dixo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en rolda de prensa hoxe acompañado por varios dos membros do comité clínico, que incidiron na necesidade de que, desde a responsabilidade individual, se cumpran as medidas impostas para frear a expansión da pandemia. Deste xeito, o concello posto como 'modelo' polo comité clínico para a adopción de restricións especiais, O Carballiño, podería converterse no primeiro en abandonar o grupo de localidades que se atopan pechadas perimetralmente (algunhas en conxunto con outras localidades lindeiras) e cos establecementos de hostalería clausurados. A evolución epidemiolóxica, cunha baixada de casos, e as características da zona, son as claves apuntadas para a posíbel saída do Carballiño deste grupo. Unhas medidas que afectan nestes momentos en 68 concellos galegos, aos que sumará na madrugada desta quinta Sanxenxo, que compartirá peche perimetral co Grove. O comité clínico fixa como horizonte o 4 de decembro, cando se pasaría o mes establecido para estudar a efectividade das medidas, como data na que podería empezar a levantarse restricións no resto de Galiza. Segundo o conselleiro, a situación epidemiolóxica mellorou en toda a Galiza urbana agás Vigo e Lugo, onde se detecta un grao de transmisión do virus máis elevado que na media galega. Mentres que na urbe olívica atribúese esta situación aos surtos detectados en dúas residencias de maiores, o conselleiro sinalou que no caso de Lugo "non se están cumprindo" as medidas restritivas "de forma franca". O comité clínico considera que Galiza presenta unha situación "estábel" desde o punto de vista epidemiolóxico cun "lixeiro descenso" no número de casos. Con todo, preocupa a presión asistencial co incremento dun 9,3% dos pacientes que terminan en UCI, que aínda se atopan a un 42% do pico máximo de ocupación rexistrado na primeira onda da pandemia.
NOS_42157
Máis dun ano despois do estalido social en Chile en protesta polas desigualdades existentes no país, o pobo decidirá nas urnas se quere unha nova Carta Magna ou prefire manter a elaborada en 1980 durante a ditadura militar e que os manifestantes vén como a encarnación dos males que levaron ás revoltas.
O 18 de outubro de 2019 un estalido social sacudiu Chile. Froito dese proceso de mobilización cidadá abrollou a convocatoria dun plebiscito popular para decidir se a redacción dunha nova Constitución que substitúa a elaborada en 1980 co ditador Augusto Pinochet como molde é necesaria ("Aprobo") ou non ("Rexeito"). Segundo a última enquisa da consultora MORI, de gran fiabilidade no país andino, dous terzos das persoas consultadas estarían a favor, mentres que tan só 15% prefire conservar a actual Carta Magna. Ademais, a sondaxe ofrece outro dato significativo: 73% considera que os pobos orixinarios deberían ter un recoñecemento especial no novo texto. Foi na pasada sexta feira que se iniciou a campaña de cara á data do 25 de outubro, día en que todo indica que se pasará unha páxina de 30 anos de resaca dunha ditadura de 17 (1973-1990). O feito histórico estaba previsto para o pasado 26 de abril, mais o novo coronavirus SARS-CoV-2 saíu á escena e matou case 13.000 chilenas e chilenos, postergando uns meses máis a espera de tres décadas. Porque a pesar de ser obxecto dunha fonda reforma en 2005 ─coa sinatura, entre outros, do ex presidente Ricardo Lagos, un dos maiores opositores ao réxime militar─, a Constitución de 1980 arrastra até hoxe o apelido de 'pinochetista'. Porque para os manifestantes da chamada "revolución dos 30 pesos", pola suba no billete do metro en Santiago, é orixe das desigualdades sociais que denuncian: "non é por 30 pesos, é por 30 anos", defenden. Dúas preguntas O 25 de outubro cada votante recibirá dúas papeletas. A primeira, coa pregunta "Quere vostede unha nova Constitución?". Os electores deberán marcar con bolígrafo unha das dúas opcións, "Aprobo" ou "Rexeito". Na segunda, a cuestión será "Que tipo de órgano debe redactar a nova Constitución?", coa posibilidade de elixir "Convención Constitucional" ou "Convención Mixta Constitucional". É dicir, unha convención constituínte composta 100% por 155 cidadás e cidadáns ou unha convención mixta de 172 persoas conformada 50% por parlamentarios e 50% por membros electos para tal fin. "A posibilidade de que sexan 100% persoas electas e con garantía de paridade é algo sen precedentes", sinalou ao respecto a ex candidata presidencial da formación de esquerdas Fronte Ampla, Beatriz Sánchez. Serán as 15 millóns de persoas que están convocadas ás urnas ─o voto non é obrigatorio en Chile desde 2012, ao contrario que nos países do seu contorno quen o decidan. Segundo un estudo da Plataforma Contexto, unha iniciativa da sociedade civil "para promover a participación activa e informada da cidadanía no proceso constituínte", agárdase un número alto de emisión de sufraxios, apoiando ademais de maneira amplamente maioritaria a mudanza do statu quo. Pulando por este cambio están unhas 130 organizacións sociais e partidos do arco ideolóxico da esquerda. Mais tamén forzas políticas que transitan entre o centro e o conservadorismo se amosaron publicamente favorábeis ao "Aprobo". Por exemplo, o presidente do partido Demócrata Cristián (DC), Fuad Chahín, afirmou que un novo texto "fecharía a transición política" e acabaría co último remanente político da ditadura, alén de axudar a restaurar o "problema de lexitimidade e de confianza" na democracia e na clase política por parte do pobo chileno. Piñera votará "Aprobo" Na coalición de dereitas que sustenta o Goberno do presidente Sebastián Piñera ─Unión Demócrata Independente (UDI), Renovación Nacional (RN), Partido Rexionalista Independente Demócrata e Evolución Política (Evóli)─, tanto RN (o partido de Piñera) como Evóli optaron por dar "liberdade de acción" aos seus militantes de cara á votación. O propio presidente anunciou que a papeleta del será a do "Aprobo". Porén, a ultraconservadora UDI fai unha firme defensa do "Rexeito". "O que Chile require para avanzar en desenvolvemento social e económico non se resolve a través dunha nova Constitución, senón mediante acordos políticos que deriven en leis e políticas públicas que melloren a vida aos chilenos", dixo a presidenta da formación, Jacqueline Van Rysselberghe. A tamén senadora cre que o proceso "foi motivado pola violencia insurreccional que se desatou a partir do 18 de outubro, o que lle resta lexitimidade". A posición é totalmente oposta entre os partidos políticos progresistas, claramente aliñados co "Aprobo". O presidente do Partido Socialista, Álvaro Elizalde, sinalou que "vai permitir liberármonos da camisa de forza que representa a Constitución de 1980". E desde o Partido Comunista, a única formación da esquerda que puxo reparos iniciais por cuestións de forma, tamén se dá apoio a un novo texto: "Construamos entre todas, todos e todes unha nova Constitución de forma democrática e paritaria que garanta o dereito a unha vivenda digna. Que a ninguén lle falte un fogar para vivir feliz canda os seus", di nunha entrada fixada na súa conta do Twitter. Slavoj Zizek tamén "aproba" a mudanza "Aínda que a crise de Chile é un caso específico, ten relevancia universal, polo que todo aquel que valore a verdadeira liberdade, sabe que lado tomar coa mesma certeza que a do cogito ergo sum de Descartes: 'Aprobo, logo son un home libre'". Con estas palabras o filósofo esloveno Slavoj Zizek deu o seu apoio a un novo proceso constituínte. Fíxoo nun vídeo que se publicou coincidindo co comezo da campaña electoral e que elaborou en colaboración coa escritora chilena, Nicol Barria Asenjo, informa El Desconcierto. Zizek ─en español─ finaliza lembrando "as últimas palabras de Salvador Allende: 'sigan vostedes sabendo que, moito máis cedo que tarde, de novo abriranse as grandes alamedas, por onde pase o home libre, para construír unha sociedade mellor'. Allende estache falando agora. Isto si está pasando co 'Aprobo'".
NOS_9540
Polos "danos e prexuízos" causados aos 27 co retraso na repartición da vacina contra o coronavirus,
A Unión Europea solicitou esta terza feira perante os tribunais belgas que a farmacéutica AztraZeneca sexa condenada a pagar unha cantidade aínda por determinar polos "danos e prexuízos" causados aos 27 co atraso na repartición da vacina contra o coronavirus, nunha segunda demanda que se une á causa civil iniciada hai semanas para reclamar a entrega urxente das doses pendentes. A Comisión Europea, que sinala que acudiu á Xustiza ordinaria tras non lograr de forma amigábel que o laboratorio cumprise o asinado, lanza así un segundo proceso xudicial para tratar de forzar a entrega dos 300 millóns de doses asinadas con AstraZeneca para como moi tarde en setembro. Os avogados do Executivo comunitario defenderon na audiencia pública celebrada este 11 de abril a urxencia para resolver este asunto "á luz do seu impacto en vidas humanas, nas liberdades fundamentais e na campaña de vacinación". A defensa de AstraZeneca, pola súa banda, puxo en dúbida que o caso deba resolverse con carácter de urxencia xa que a Unión Europea logrou abastecerse a través doutros laboratorios distintos que lle permiten contar cunha reserva "amplamente suficiente para a súa poboación". A Xustiza belga celebrará xa o 26 de maio unha primeira vista para examinar o procedemento de urxencia co que Bruxelas reclamou todas as doses contratadas de inmediato, aínda que terá un mes para tomar a decisión definitiva, segundo explicaron fontes xurídicas. En paralelo, os avogados que representan o Executivo comunitario e os Estados membro presentaron unha segunda demanda para que a Xustiza se pronuncie sobre o fondo do asunto, o que implica medidas cautelares para esixir a entrega de dose e o acceso a información confidencial, e tamén unha compensación que polo momento se fixou en "un euro provisional". O tribunal de primeira instancia de Bruxelas fixou para os días 24 e 29 de setembro a vista para examinar este caso, para o que as fontes consultadas non esperan unha decisión definitiva -máis aló das cautelares sobre a entrega de dose- antes do outono de 2022.
PRAZA_16476
O medo. A violencia. A hipnose colectiva. Son algúns dos temas que alicerzan a nova obra de Manuel Darriba, que segue o camiño de 'O bosque é grande e profundo', o seu libro anterior.
A autoridade municipal presenta o "Edificio en Si". Concibido para Nada. Símbolo dun tempo no que o poder, coa axuda dalgúns intelectuais, se enmascara tras o discurso postmoderno. Así comeza o novo libro de Manuel Darriba, Elefante (Xerais). Unha nova mostra do seu personalísimo estilo. Único, quizais, na literatura galega. No primeiro dos relatos do libro, a autoridade municipal promove o "edificio en Si", concibido para nada. Símbolo dun tempo no que o poder promove o inútil. É comezar a ler e pensar en edificios reais que foron, efectivamente, concibidos sen proxecto. A Cidade da Cultura, pero non só. Cal e a relación entre o poder e a inutilidade no teu libro? Porque se fala dunha filosofía que "supere" a razón utilitaria. O feito de que o poder promova o inútil -inútil para unha maioría social- non é tan relevante como os argumentos que usa para xustificalo e narcotizar a conciencia crítica. A defensa dunha filosofía que supere a razón utilitaria, feita no meu relato por un intelectual, parece a priori a vindicación de cousas elevadas -a poesía, por exemplo-, pero neste caso sérvelle de coartada ao poder político para seguir instalado na arbitrariedade. "O feito de que o poder promova o inútil -inútil para unha maioría social- non é tan relevante como os argumentos que usa para xustificalo e narcotizar a conciencia crítica" En toda esa sorte de construción dunha filosofía alternativa, que axuda a manter a xente nunha especie de estado de hipnose, ecoa a filosofía posmoderna. Os grandes relatos quedaron reducidos a poéticas locais, di o filósofo Neri. Este primeiro relato do libro é como unha distopía na q se impuxo o pensamento posmoderno. Que ten o libro de crítica a esta filosofía? Neri é un postmoderno de libro. Eu non só quero facer unha crítica á postmodernidade, senón avogar pola súa superación. A postmodernidade, o que vén dicir é: temos ante nós o arquivo de coñecemento duns 40.000 anos de humanidade -acoutando só o período "sapiens"-; todo está probado e nada serviu, o que significa que todo serve. Xoguemos libremente cos elementos deste gran bazar: collámolos, deixémolos, mesturémolos... En arte, isto conduce ao pastiche. En ética, ao relativismo. Eu creo que debemos asumir o grande arquivo da humanidade cun ánimo de superación, sen renunciar nin á aspiración de coñecemento -do mundo e a consciencia- nin a unha conduta moral. "Eu creo que debemos asumir o grande arquivo da humanidade cun ánimo de superación, sen renunciar nin á aspiración de coñecemento nin a unha conduta moral" Os disidentes atacan a construción dun consenso que é so un monllo de intereses privados disfrazados de relato común. Quen son os disidentes? Que representan en relación co pensamento postmoderno? Remito á resposta anterior. Os disidentes, se cadra sen eles sabelo, están a opoñerse ao discurso banal da postmodernidade -discurso que, por certo, beneficia sobre todo ás elites do poder-. A súa oposición é física, dos corpos, e por iso acaban pagándoa coa extinción física. Esta forma de loita, para que teña algunha posibilidade, debe estar apoiada nun aparato verbo-intelectual crítico. "Os disidentes, se cadra sen eles sabelo, están a opoñerse ao discurso banal da postmodernidade, que beneficia sobre todo ás elites do poder" O espazo -e espazos simbólicos como o Elefante e o hotel- e o tempo -o tempo que pasa-, son tamén protagonistas do relato. Por que e en que sentido? Espazo e tempo son variables que tamén se configuran en base aos intereses políticos, pero neste caso eu quería tratalas máis ben dende a conciencia individual. As distorsións perceptivas son importantes neste libro, e xa aparecen dende o primeiro relato. O suxeito pode ter a miúdo dificultades para orientarse nun espazo cambiante, porque cambiante é o mundo, a miúdo perturbador e terrorífico. O mesmo sucede cun tempo que non sempre se cuantifica ao xeito tabulado do calendario, senón a través das turbulencias da subxectividade. "Espazo e tempo son variables que tamén se configuran en base aos intereses políticos" O poder é presentado como artista, -e neste sentido o relato remite aos discursos sobre a arte actual: o cuestionamento da autoría, por exemplo-. Tamén se discute sobre a escrita e a verdade, en tempo de relatos contraditorios -e aí volve o pensamento postmoderno-. Que representan, no relato, a arte e a escrita? Cal e a súa relación coa verdade? O pensamento postmoderno pon en cuestión o concepto de verdade, pluralízao: habería "verdades" parciais. Polo tanto, a escritura non pode ser unha vía de acceso á verdade. O narrador-protagonista vai asumindo isto ante a súa incapacidade para entender o mundo; o que non deixa de ser unha forma de derrota. Pero non tomemos a parte polo todo: a experiencia dun individuo concreto non ten por que converterse en verdade universal. Cando sucede, estamos nalgunha forma de totalitarismo. "A experiencia dun individuo concreto non ten por que converterse en verdade universal. Cando sucede, estamos nalgunha forma de totalitarismo" A forma na que o relato está escrito ten conexións coa do libro anterior. Cóntase o xusto. O estilo está entre a prosa, a poesía, a filosofía.. Hai xa moito que hibridas estilos, pero é como se neste libro se dese un paso máis nese sentido... Ás veces soa como a prosa bíblica... Concibiches o estilo dalgún xeito especial, de modo consciente? A hibridación de xéneros e estilos está no meu programa artístico duns anos a esta parte, de maneira moi consciente. Si que hai acentos bíblicos, xa os había na miña obra anterior, 'O bosque é grande e profundo'. Eu non uso isto a xeito de pastiche -non son postmoderno-, senón incorporando a herdanza cultural como reforzo estilístico. Como o wolfram se usou no seu día para reforzar a chapa dos carros de combate. En varios dos relatos é un xornalista quen nos conta a historia. Alguén que podería representar o ollar desde fora, pero que sempre olla tamén desde dentro. No primeiro fálase un pouco sobre se a imaxe pode transmitir o real... Por que eses narradores xornalistas e cal é a súa relación coa realidade? En primeiro lugar, porque o xornalismo é o oficio que desenvolvín durante máis de dez anos. O xornalista debe comprender en tempo reducido unha realidade moitas veces allea, e transmitila dun xeito fiel e claro -se nos atemos a unha definición canónica-. Isto é algo practicamente imposible. Menos aínda no xornalismo que se practica hoxe, extremadamente acelerado e abreviado, sen tempo para a documentación, a reflexión… e sobre todo, para a empatía coas persoas e feitos que retratas. Ollo, non falo de "simpatizar" con todo o que ves, senón de ter unha comprensión íntima das circunstancias e motivos. Un xornalista é un ser humano; é analóxico, non dixital. Pois ben, hoxe a dixitalización non só afecta aos instrumentos de traballo, senón que se traslada tamén aos modos e miradas; ao terreo do especificamente humano. "Un xornalista é un ser humano; é analóxico, non dixital" O segundo relato fala dun pobo que mantén unha tradición literaria oral de extraordinaria calidade, e que renunciou aos libros. Non teñen unha Historia escrita. E non coñecían o conflito. Pero a disidencia, que non cre nesa paz social, comeza a organizarse. Que relación hai entre este relato e o anterior? Que relación hai coa nosa propia sociedade, coa súa "paz social" protexida, tantas veces, con represión, manipulación e silencio? Está ben traído o da "paz social". Trátase diso, os discursos do poder alertan sobre o perigoso que sería crebar a bendita "paz social". Apóianse niso. No segundo relato do libro, hai ademais a descrición dunha sociedade pechada en base a un nacionalismo esencialista e excluínte, que pode derivar no equivalente ao nazismo. Por suposto que no mundo actual hai que distinguir entre nacionalismos, hainos de diversas clases. Pero a min co nacionalismo pásame como coa relixión: deixou de interesarme hai moito como esquema de pensamento e alimento emocional. De feito, considéroo unha relixión de segunda, con menos prestacións: non garante a vida eterna, por exemplo -agás a dos heroes que quedan en estatuas e cantos-. Eu estou na defensa do propio -o sitio onde vivo, a lingua que falo- dende unha perspectiva estritamente laica. "Eu estou na defensa do propio -o sitio onde vivo, a lingua que falo- dende unha perspectiva estritamente laica" Neste segundo relato fálase da relación entre linguaxe e realidade. Os urot'oki, segundo o líder local, manteñen intacto, e puro, o nexo entre signo e realidade. -E volve aquí a filosofía-. Pero, como no relato anterior, o filósofo-líder enmascara o poder. Que representan eses líderes intelectuais dos dous relatos? Cal e, en ambos, a reflexión sobre a relación entre linguaxe e realidade? O concepto de líder carismático é o de garante da verdade absoluta. E como tal, está convencido -e convence aos demais- de que hai unha equivalencia plena entre a súa palabra-pensamento e a orde do mundo. Contra o absolutismo da verdade individual -postmoderno-, cómpre presentar a verdade como construída dialecticamente en espazos comúns. Esta é a parte política da reflexión. A parte epistemolóxica é que debemos cuestionar a exactitude da correlación entre palabra e mundo. Debemos estar sempre na razón crítica, investigando, reflexionando, corrixindo… Kant expresou a cuestión mellor ca ninguén: como a nosa mente limitada pode comprender o mundo inmenso e caótico que se desprega ante nós? "Contra o absolutismo da verdade individual -postmoderno-, cómpre presentar a verdade como construída dialecticamente en espazos comúns" Os outros catro e, sobre todo, os tres últimos, son relatos máis curtos. E producen sensación de desacougo, medo... Ademais de transmitir violencia, coma os dous primeiros. E coma 'O bosque é grande e profundo', que falaba tanto de violencia, crueldade e deshumanización. Cal e a relación entre os dous libros, nese sentido? Esa que ti sinalas: o retrato do medo. O ser humano perdido no mundo, ante o mundo e contra o mundo. O que Edvard Munch expresa no seu cadro 'O berro'. "Rematei unha novela curta, formalmente o máis difícil e arriscado que escribín ata agora" Algo máis q queiras destacar? Novovinilo Edicións publicará nuns meses o meu poemario 'Santa Morte'. Nel profundizo no discurso poético iniciado en 'Os indios deixaron os verdes prados'. Tamén rematei unha novela curta, formalmente o máis difícil e arriscado que escribín ata agora. A intención foi crear unha obra que defina o seu propio espazo lingüístico.
NOS_39695
O medicamento, un dos poucos destas características que se están a producir no mundo, xa superou a primeira fase e demostrou a súa seguridade en persoas humanas.
Persoal investigador da Galiza e Catalunya colaboran no ensaio clínico do primeiro fármaco oral fabricado no Estado español para o tratamento da Covid-19, do que participan perto de 120 pacientes destes dous territorios. Así o presentaron esta segunda feira no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), situado no Hospital Clínico compostelán, no que investigadores cataláns e galegos explicaron que o ensaio 'SIMGA4 Covid' trata dun estudo "pioneiro no Estado". A directora do IDIS, María Luz Couce, resaltou a actividade "innovadora" da que colaboran profesionais de Atención Primaria e hospitalaria da Galiza e Catalunya nun traballo de "alto impacto no campo da saúde". Pola súa parte, a coinvestigadora deste estudo pola parte galega, Mabel Loza, do grupo Biofarma, incidiu en que se trata do primeiro ensaio e investigación no Estado español dun fármaco oral para tratar a Covid-19 e que se inclúe entre a ducia, a nivel mundial, de medicamentos destas características. O fármaco xa superou a fase un "en seguridade en humanos", subliñou Loza, e agora atópase na segunda fase de probas. Así é Paxlovid, o fármaco oral de Pfizer contra os síntomas da Covid Por parte dos investigadores cataláns presentes, Santiago Grao incidiu na "maridaxe Galiza-Catalunya" para avanzar neste ensaio clínico, mentres que Rafael Maldonado matizou que se enmarca nunha "colaboración a longo termo público-privada". Tal e como precisou Loza, trátase dun dos poucos fármacos orais para o tratamento da Covid-19 que se están a producir en todo o mundo. Un dos máis destacados, Paxlovid (Pfizer), chegou á Galiza en marzo.
NOS_38395
Os militantes deste grupo conspirativo de dereitas confiaban no mito de que o fillo do ex presidente estadounidense non falecera nun sinistro de avión, hai xa 22 anos.
Centos de seguidores do movemento conspirativo QAnon reuníronse en Dallas, Texas, á espera de que reaparecese John Kennedy, o fillo homónimo do ex presidente de Estados Unidos morto nun accidente de aviación en 1999, co obxectivo de proclamalo compañeiro de fórmula do ex mandatario Donald Trump para as eleccións presidenciais de 2024. Unha das teorías conspirativas deste grupo de ultradereita é que Kennedy Jr. non morreu e permanece nalgures. O obxectivo de JFK Jr. nesta "reaparición", segundo os seguidores de QAnon, sería anunciar un cambio na Casa Branca e a súa presentación como vicepresidente na candidatura de Trump As imaxes publicadas nas redes sociais mostraron a ducias de persoas no lugar no que foi asasinado Kennedy pai en 1963, á espera de que JFK fillo, supostamente oculto durante 22 anos, fixese unha aparición pública. O obxectivo de JFK Jr. nesta "reaparición", segundo os seguidores de QAnon, sería anunciar un cambio na Casa Branca e a súa presentación como vicepresidente na candidatura de Trump, quen aínda non anunciou a súa carreira para 2024, mais é amplamente considerado por moitos como o favorito para gañar o nomeamento republicano se o fai. O xornalista Steven Monacelli, editor da revista Protean e colaborador do diversos medios estadounidenses, compartiu unha serie de imaxes nas que se puido ver que algúns dos presentes vestían camisetas estilo campaña política coas palabras: " Trump/ FK Jr".
PRAZA_17363
O xa ex-titular de Cultura asegura que marcha para non danar o proxecto de Pedro Sánchez, reivindica a súa "inocencia" e asegura que a multa da Axencia Tributaria foi froito dunha demanda interposta por el mesmo.
Pedro Sánchez non aguantou a presión. O presidente do Goberno central optou pola caída do ministro de Cultura, que presentou a súa dimisión unhas horas despois de publicar El Confidencial que defraudou máis de 200.000 euros a Facenda entre os exercicios 2006 e 2008. Màxim Huerta trasladouse ao Palacio da Moncloa ao mediodía e a última hora da tarde anunciou que marchaba, malia reivindicar a súa "inocencia", para non "danar o proxecto de rexeneración e transparencia" do novo xefe do Executivo. PP e Podemos esixiron a dimisión; mesmo no PSOE había voces que advertían que tiña que marchar O cesamento de Huerta prodúcese cando non cumprira a súa primeira semana no cargo e tras as esixencias de dimisión lanzadas desde primeira hora da mañá polo PP e Podemos. Mesmo no PSOE había voces que apuntaban a que tiña que marchar: "Non se pode soster". Malia ao apoio inicial, os asesores do presidente concluíron que manter o ministro complicaba a imaxe de rexeneración que pretende o novo gabinete. Ante a información publicada, o gabinete de Sánchez decidiu que Huerta iniciase unha rolda de entrevistas radiofónicas para explicar a súa postura baixo o argumento de que un "cambio de criterio fiscal" o atrapou como a moitos outros personaxes da televisión e a escena. Tras esas explicacións, portavoces oficiais do Goberno apresuráronse en transmitir que todo estaba "tranquilo" e que esas explicacións foran "ben fundadas". A presión redobrouse cando comezou a circular polas redes un vídeo de Pedro Sánchez no ano 2015 no que aseguraba que "estaría fóra" un membro do seu gabinete -daquela, da dirección do PSOE- que crease unha sociedade para evitar o pago de impostos. Só unhas horas despois, Sánchez deixaba caer a Huerta do seu cargo, abrindo no seu gabinete a crise de Goberno máis rápida da historia da democracia. Na rolda de prensa para anunciar a súa dimisión, Huerta insistiu na súa "inocencia" e en que el só pagou "unha multa logo de perder unha demanda" que el mesmo presentara. Ademais, lamentou que o que el considera a verdade "non vaia escoitarse" porque vivimos, dixo, "nunha sociedade afogada polo ruído e a desinformación interesada". "Non importa que non teña cometido fraude fiscal nin que pagase a multa, senón o bombardeo e o ataque contra min, pero que busca minar o proxecto de rexeneración e transparencia de Sánchez e non vou permitilo", asegurou. "Os inocentes prefiren marchar antes de que haxa calquera sombra de sospeita" sobre o novo Goberno, insistiu, tras advertir de que pagou a multa "dúas veces". "A segunda, aquí e agora, pero a inocencia non vale de nada ante esta manda", rematou.
PRAZA_6962
Un traballador do Concello da Coruña, de baixa por acoso laboral, foi retido en Ferrol por portar armas de pesca deportiva e a Policía Local difundiu imaxes dos seus obxectos persoais a través de Twitter. Os seus representantes laborais, que apelan á lei de protección de testemuñas, ven no sucedido un intento de "danar a súa credibilidade" por denunciar presuntos amaños de contratos públicos para empresas da trama.
Nunha xornada de finais do pasado outubro Antonio Pérez, testemuña na rama coruñesa da operación Pokémon, viaxaba en autobús dende A Coruña ata unha vivenda da súa propiedade na comarca de Ferrolterra. Facíao porque, tras unha caída en bicicleta, un brazo escaiolado e unha perna lesionada lle impedían conducir con normalidade. "Por erro" abandonou o autobús unha parada antes do que correspondía e, "debido ás súas limitacións para trasladarse", pediulle a unha condutora "se o podía achegar ata a seguinte parada". Nese momento "varios axentes da policía local" ferrolá "irrompen por sorpresa e, sen mediar palabra", inmobilízano e retéñeno. Este é, para os letrados que o representan, un novo episodio do "acoso" que está a sufrir, o mesmo que o mantén de baixa do seu posto de traballo no Acuario da Coruña onde, subliñan, o seu testemuño é clave para demostrar que esta instalación municipal foi obxecto de "adxudicacións irregulares a empresas do grupo Véndex". Tras ser "esposado ás costas, malia que tiña o brazo esquerdo escaiolado e se queixaba da dor que lle estaban producindo" Antonio Pérez foi "trasladado á comisaría da Policía Nacional", sen que en "ningún momento o informasen de nada nin lle fixesen preguntas". Unha vez nas instalacións policiais, explican os seus representantes en conversa con Praza Pública, "Antonio explicou o acontecido e a condutora do vehículo tamén". Alí, sinalan, compróbase ademais que "o que portaba non eran armas ilegais", senón "unha pistola de fogueo utilizada para prácticas deportivas, rexistrada en debida forma", unha navalla de mergullo e outra ordinaria. Nese momento "o informan de que pode marchar sen necesidade de tomarlle declaración, porque non había indicio de delito ningún". "Cómpre resaltar -explican- que a pistola de fogueo é doadamente diferenciable" dunha real "para calquera axente", polo que "non cabe a posibilidade de que se confunda, moito menos cando son seis os axentes que interveñen na detención". A xuíza De Lara chamou a declarar os policías locais ferroláns e insta a aclarar a publicación das imaxes Que Antonio Pérez fose debidamente identificado e que non cometese ilícito ningún non impediu, así e todo, que a Policía local ferrolá difundise a través da súa conta de Twitter imaxes dos seus obxectos, "que ademais publican para facer chascarrillos e facer notar que foi unha detención moi estresante", sinalan os avogados. "Esta toma de fotografías non ten xustificación" porque "o asunto é competencia da Policía Nacional", salientan. Ante o trato recibido por esta testemuña "primordial" a xuíza Pilar de Lara xa chamou a declarar os seis policías locais e ao seu comisario para aclarar, entre outras cuestións, porque as imaxes empregadas para uso "interno" acabaron publicadas en Twitter. A Policía Nacional, pola súa banda, xa a informou de que Pérez nunca chegou a ter a condición formal d edetido. Petición de protección para a testemuña As fontes da representación legal de Antonio Pérez consultadas por Praza cren que, lonxe de ser casual, "esta extraña actuación policial" ten "relación directa coa súa condición de testemuña" no caso Pokémon. Tamén recean do xeito en que o acontecido foi reflectido nun xornal coruñés "nos termos en que se fixo". "É evidente que se fose calquera outra persoa" o incidente coa policía ferrolá "non se difundiría na prensa ás poucas horas da detención". "A nova publicada baixo o título Un testigo primordial de De Lara en entredicho vai encamiñada a danar a credibilidade da testemuña, como é evidente", afirman, nun contexto no "nunha das novas se fai referencia ao feito de que un día antes se rexeitara un recurso presentado por tres dos imputados" na Pokémon "contra a decisión do xulgado de practicar" unha proba para "determinar a existencia do delito de acoso" contra Pérez no seu posto de traballo dependente do Concello coruñés. "O único que está en entredito é a propia Policía Local, que chegou a ofrecer catro versións do acontecido noutros tantos informes" remitidos ao xulgado e que "difiren do informado pola Policía Nacional" nun atestado que se "lle negou a Antonio Pérez" aínda que ten dereito a dispoñer dunha copia. "Danar a súa credibilidade sería un xeito de danar parte do material probatorio que podería servir para condenar os responsables desta urdime de corrupción" "Este episodio -continúan as fontes consultadas- non é un caso illado nesta causa". Para os letrados "existen múltiples evidencias do nivel de hostigamento" que sufriu Antonio Pérez "por parte de persoas que ocupan cargos públicos na Coruña". Así, lembran, "apareceron forzados os caixóns e armarios" onde a testemuña "gardaba documentación" cando el "xa se atopaba de baixa por acoso". "Foi a Policía Local", neste caso a coruñesa, "quen acudiu de xeito sorprendente a facerse cargo" do asunto "cando o xulgado xa llo encomendara á Policía Nacional, por ser da súa competencia". "Sen prexuízo do que resulte do proceso", detallan, Antonio Pérez "experimentou un brutal hostigamento tanto por persoas das que recibía ordes directas como dende altos cargos do Concello da Coruña" mentres "estivo prestando servizos como xefe de bioloxía do acuario", posto ao que "accedeu por oposición". Neste contexto, os letrados observan a necesidade de que Pérez pase a ser testemuña protexida no caso. "A lei de protección de testemuñas arbitra mecanismos para garantir o debido apoio e protección dunha testemuña e da súa familia nun proceso penal" coma este, evidencian. Trátase "de evitar a reprodución de feitos tan lamentables como os que veu sufrindo pola súa condición de testemuña", os cales inclúen "a sifusión ou revelación de datos sobre a súa persoa". Dado que "poñer en dúbida" a "credibilidade" de Peŕez "sería un xeito de danar parte do material probatorio que, no seu día, podería servir para condenar os responsables desta urdime de corrupción" e tendo en conta que as policías locais da Coruña e Ferrol dependen de dous concellos afectados "pola investigación da operación Pokémon", os representantes de Antonio Pérez están "estudanto o exercicio de accións penais ou civís contra as persoas involucradas neste incidente" que consideran unha "detención ilegal, privación de dereitos constitucionais, revelación de segredos" e "atentado á honra". "Todo -conclúen- a mercé do que se poña de manifesto na investigación, que a día de hoxe xa ofrece datos o suficientemente sólidos como para pensar na comisión de graves delitos".
NOS_27442
É un formato singular, coordinado polo poeta Lois Pérez e mais polo escritor, experto en folclore, Antonio Reigosa. Letra das Festas é unha revista oral, promovida pola Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG), que acontece cada San Froilán e desta volta estará dedicada á memoria das orquestras, as verbenas, os bises.
Letra das Festas será no salón de actos do Vello Cárcere de Lugo a cuarta feira, 9 de outubro, a partir das seis da tarde. Cantarán e contarán Luís Cortiñas, Verónica Cambón, Gerardo Iribar e Tino López. Haberá música a cargo de Tania Pérez. E Pérez e Reigosa coordinarán e presentarán. Letra das Festas ten o apoio do Concello de Lugo e preséntase nesta oitava edición co seguinte lema: "Memorias desde o palco! / Non hai festa sen verbena, / nin verbena sen orquestra / nin orquestra que non presuma de que lle pidan un bis!".
PRAZA_14702
Un directivo da petroleira mexicana volve aclarar que o concurso se celebrará o vindeiro ano e que a oferta galega é unha máis, ao tempo que estaleiros, Xunta e Goberno central dan o acordo por "firme".
Mentres estaleiros, Xunta e Estado confirman que os contratos con Pemex para construír dous buques hoteis en Galicia son "firmes". Mentres informacións en México falan de que o acordo chega tras un pacto político levado a cabo hai cinco anos no paíz azteca entre o Executivo e empresarios galegos. Mentres a oposición segue dubidando en Galicia duns acordos que non se ensinan porque disque son confidenciais. Mentres todo isto pasa, a petroleira mexicana insiste en que a decisión sobre a construción deses floteis en Barreras e Navantia non está tomada e que se decidirá "probablemente despois de decembro". Así o asegura o director de Pemex Exploración y Producción (PEP), Carlos Morales Gil, que asegura que a compañía licitará como moi tarde nos dous primeiros meses de 2013 o servizo de floteis para Pemex. "Poderiamos telo listo en decembro, pero o máis probable é que sexa despois", asegurou nunha entrevista en El Universal, tras aclarar que durante o mes de setembro iniciouse unha consulta para comprobar e verificar os custos e prezos dos servizos de buques hotel que existen no mundo. Pemex convidou a 21 empresas a participar na licitación, unha delas PMI, que asinou o acordo cos estaleiros galegos Segundo a información, nesta cotización convidouse a 21 empresas diferentes a que fixeran as súas propostas, aínda que houbo varias que non responderon. "Mentres en España dan por feito que Pemex vai comprar dous floteis, en México Morales Gil explicou que apenas preparan unha licitación para obter este servizo", aclara a nova. O director de PEP engade, ademais, que PMI, filial de Pemex, buscou un socio nos estaleiros galegos, cos que asinou un acordo para poder participar nun concurso que non estará listo até o ano que vén. "Iso non significa que desde agora xa se vaian comprar eses floteis". Tal e como insiste Morales Gil, o acordo dos estaleiros galegos é con PMI España, que será "un participante máis na licitación que se fará para a contratación de servizo e para a cal se fixo todo un proceso global de cotizacións". O proceso, tal e como se explica, deberá de contar coa autorización do Comité de Adquisicións, Arrendamientos, Obras y Servicios e do Comité de Estratexias e Investimentos. Ao tempo, estaleiros e Xunta insisten en que todo está pechado e especifican incluso os traballos que se están a realizar xa para ir adiantando o traballo que terán a levar a cabo tanto Barreras como Navantia. Nin tan sequera se menciona xa a posibilidade -como se dixera ao principio- de que a filial PMI acabe encargando os buques de xeito individual e os arrende ou venda logo a outro cliente se non gaña o concurso de Pemex. "Os contratos non teñen volta atrás. Non me ocupan nin me preocupan", di Feijóo Este mesmo xoves, o presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, insistiu no Consello da Xunta que "os estaleiros xa están empezando a conretar e a falar". "Escoito todos os días algunha manifestación dos directivos dos estaleiros que están concretando que eses contratos se están executando conforme ao previsto", di o xefe do Executivo, que insiste en que "houbo reunións en México para concretar as especificacións técnicas antes de cortar chapa". "Eses contratos non teñen volta atrás. Non me ocupan nin me preocupan", confirma.
NOS_36307
Novoneyra nunca puña o ramo a Os Eidos. Libro en proceso, aberto, unha das experiencias poéticas máis intensas do século XX, seguiu traballando nel durante décadas. Rescribindo, depurando, reordenando. Agora, a case vinte anos da morte do autor, Chan da Pólvora publica a máis completa edición do crucial ciclo de poemas.
"Da voz popular á poesía moderna, un salto ao abismo, da copla ao haiku, do ancestral ao profundo para ir máis alá", sintetiza a poeta Olga Novo no limiar -A nena de Vilarmao e o mestre do Courel- o tránsito que Uxío Novoneyra (1930-1999) efectuou na súa obra, aparecida por primeira vez en 1955. "A nena [...] comprende a palabra de Novoneyra adelgazada, retorcida e fina como a la nos dedos da fiandeira", engade. A introdución de Novo, dez páxinas en que se debruza na súa relación co poeta do Courel, é unha das novidades que incorpora a versión de Chan da Pólvora. Ademais, este Os Eidos inclúe un glosario -As cores do ucedo- elaborado por Emilio Araúxo a partir de 15 anos de conversas co escritor. Eis a vía de incursión no extraordinario pensamento poético de Novoneyra. "[Na poesía galega] vexo polo menos un fracaso terrible do que eu quixera na poesía. Eu quixera deliteraturizar a poesía", chega a afirmar. A malinterpretación paisaxística Porque a de Novoneyra era palabra en acto, insitutición fundante dun espazo autónomo que, con todo, non esquecía outras ordes. Nada máis fóra do seu facer que a presunta pureza. "Cando entrega Os Eidos 2 á editorial Galaxia", fai memoria o seu fillo e responsábel da fundación co seu nome, Uxío Novo Rei, "engade o Vietnam Canto, a Letanía de Galicia e o Mundo Laxeiro. Non quería que o usasen como libro paisaxístico". Estes poemas "políticos de vangarda", xunto cos dous volumes de Os Eidos e unha escolma de 30 caligramas sobre versos do traballo, completan unha edición ao coidado de Antón Lopo, Luís Cochón e Elba Rei. "Para el, os caligramas tiñan independencia dos poemas", explica Novo Rei sobre ese lugar inaudito conquistado por Novoneyra en que confluían escrita e pintura. Influenciado polas investigacións das tradicións poéticas orientais, o seu trazo manuscrito convertía o verso en mancha e a mancha en iluminación. De "clásico" alcuma o fillo Os Eidos. Determinante para poetas de xeracións poesteriores como a propia Olga Novo (1975), Lupe Gómez (1972) ou Antón Lopo (1961), o libro leva "máis de dez edicións". "O meu pai sempre daba os dereitos dos libros para iniciativas que lle interesaban, porque é un libro que sempre se vende -está nas bibliotecas, nos centros de ensino- e así as apoiaba", di Uxío Novo. É o caso, continúa, da Biblioteca de Mesopotamia, a colección de Chan da Pólvora que o acolle. "Trátase dunha experiencia única de colaboración entre concellos", afirma Lopo, impulsor da biblioteca, "para consolidar un espazo literario de identidade común no interior de Galiza, na Ribeira Sacra". O monllo de relatos de Ánxel Fole Contos de Mesopotamia abriu a serie que recolle Os Eidos. Unha antoloxía de poemas do monfortino Lois Pereiro (1958-1996).
NOS_15788
Esta quinta agárdase acadar os 40ª.
O concello de Leiro, na comarca do Ribeiro, rexistrou esta cuarta feira a temperatura máxima da Galiza, con 39,5 graos centígrados. Esta quinta espérase acadar os 40 graos en zonasdo sur e interior do país. Segundo os rexistros de Meteogalicia, recollidos por Europa Press, a provincia de Ourense concentrou as temperaturas máis significativas da Galiza esta cuarta feira, con 39,2ºC en Arnoia, 38,9 en Ourense e 38,2 en Castrelo de Miño. Esta quinta, na que se prevé unha xornada con temperaturas superiores aos 39 graos en numerosos puntos, Meteogalicia prevé que se alcancen os 41ºC en Ourense, os 38ºC en Lugo e 36ºC en Santiago. De feito, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta activou a alerta laranxa por altas temperaturas na zona sur de Lugo e na área de Miño en Ourense.
NOS_6540
"Non podemos ser de novo as vítimas da crise", advirte.
A CIG conmemorará o vindeiro 1 de maio o Día Internacional da Clase Obreira reivindicando políticas que garantan os dereitos e o benestar das maiorías sociais nun momento no que a crise sanitaria e social derivada da expansión do coronavirus ataca con máis forza as clases traballadoras. Baixo o lema "Protexamos a clase traballadora, non o capital. Por unha Galiza soberana e con futuro", a central sindical quere poñer o foco na situación daqueles colectivos que son máis vulnerábeis aos efectos da pandemia e reclamar garantías sociais para as traballadoras e traballadores. "Se o Primeiro de Maio foi de sempre unha data de reivindicación da clase traballadora, este 2020, ante a situación que estamos a vivir, máis que nunca temos que facer escoitar as nosas demandas porque non podemos permitir que nos sigan a empobrecer, a roubar os nosos dereitos mentres se facilita todo tipo de abusos patronais", subliña o sindicato nacionalista, diante da situación que a baixada da actividade económica está a ter no tecido social, con miles de expedientes de regulaciónde emprego e a ameaza de máis despedimentos e maior precarización laboral. Nesta liña, chama a reivindicar políticas "que verdadeiramente garantan protección, benestar e o dereito a un emprego e uns ingresos dignos na nosa terra". "Desta crise sanitaria non podemos ser, de novo, as vítimas. Impidamos que o interese do capital estea por enriba da saúde das persoas", reclaman desde a CIG, avanzando as que serán as súas chaves na conmemoración do 1 de maio.
PRAZA_10051
O domingo 28 de abril formei parte, por primeira vez na miña vida, dunha mesa electoral. E foi ao grande, como presidenta. Unha semana despois aínda sigo perplexa polo ineficiente procedemento que acabou coas forzas de todos os membros das mesas, interventores e apoderados que botaron alí o día coma nós. Á vista de que en menos dun mes temos outra festa da democracia, vou referir uns consellos baseados na miña propia experiencia.
O domingo 28 de abril formei parte, por primeira vez na miña vida, dunha mesa electoral. E foi ao grande, como presidenta. Unha semana despois aínda sigo perplexa polo ineficiente procedemento que acabou coas forzas de todos os membros das mesas, interventores e apoderados que botaron alí o día coma nós. Á vista de que en menos dun mes temos outra festa da democracia, vou referir uns consellos baseados na miña propia experiencia.Tras o shock derivado da notificación de nomeamento da Xunta Electoral de Vigo, o primeiro deber como presidenta é ir recoller unha carpeta -un AZ- con toda a documentación e asistir a unha charla explicativa para te familiarizares co contido documental e na que recibes recomendacións como que valores "que vogal é máis espabilado" para deixalo ao cargo cando vaias comer ou que, se despois de varios recontos as cifras non cadran, pois non pasa nada, apúntase na acta e xa está.Afronto con seriedade a miña obriga democrática que non podo evitar pois non teño escusa ningunha e non quero enfrentarme a un proceso penal Con este ruxerruxe de información e opinión na cabeza afronto con seriedade a miña obriga democrática que non podo evitar pois non teño escusa ningunha e non quero enfrentarme a un proceso penal por incumprimento deste deber.Consello 1-Chega descansada e ben almorzada. Non foi o meu caso, por distintos motivos que non vou detallar, e por estraño que pareza no domingo electoral vai resultar complicado tomar algo máis que un café bebido entre as oito da mañá e as tres da tarde, cando consigas saír comer algo, despois de cadrar eficientemente co resto da mesa as quendas para que nunca quede desatendida a urna. Ese café será froito da xentileza dalgún interventor ou representante político, co que seguramente non coicidas en ideario, pero nese momento será o teu mellor amigo.Consello 2-Asume a xornada como se foses facer sendeirismo ou algo similar: Vai cómoda no que atinxe a roupa e calzado e leva algo de picar. (Atención, spoiler).Vas pasar máis de 15 horas nesa cadeira que é o contrario a confortable e se tes a fortuna de ser presidenta, coma min, estarás en pé máis da metade da xornada. Polo que, faime caso, non é o día para presumir. Non é o día para estrear calzado. E aínda que seguramente poidas saír xantar, o que é imposible é que poidas cear porque o reconto comeza ás 8 e ese é un punto sen retorno do que logo hei falar.Consello 3- Goza da festa da democracia. Realmente vivir as eleccións desde unha mesa electoral pode ser unha experiencia enriquecedora e se a xornada electoral (de 8 a 8) non ten problemas vai pasar animadamente. Foi un pracer ver a ilusión da xente, dos maiores que me miraban buscando complicidade ou aprobación despois de inseriren o voto, e eu veña a dicir "moi ben, perfecto" e despois marchaban fachendosos co deber cumprido. O correcto devir da xornada tamén depende dos compañeiros de mesa que che teñan asignado e eu teño que dicir que Andrea e Javier resultaron uns colegas de mesa perfectos, divertidos e eficaces. Ata aí, todo ben, todo en orde.Foi un pracer ver a ilusión da xente, dos maiores que me miraban buscando complicidade ou aprobación despois de inseriren o voto, e eu veña a dicir "moi ben, perfecto" e despois marchaban fachendosos co deber cumpridoConsello 4-Acepta toda a axuda posible para o reconto, porque a noite é escura e alberga horrores. Na mesa que me tocou presidir rexistramos unha participación elevada, que supuxo a felicitación continua dos representantes políticos e votantes que consultaban o dato. Finalmente chegamos ao 76,2% do censo electoral, algo máis dun punto por riba da media nacional. Isto traducido en votos son máis de 500 para o Congreso e outros tantos para o Senado. Máis de 1.000 sobres e papeletas! Imaxino que o número entrará dentro da media habitual das mesas, pero para nós pensar en abrir mil sobres era algo impactante.No manual de instrucións que recibimos os membros da mesa figura que "a presidencia extraerá, un a un, os sobres, abriraos e lerá as papeletas en voz alta". A miña intención era seguir esas indicacións literalmente, pero o feito de que unha soa persoa teña que coller cada sobre -algún moi ben pechado-, abrilo e lelo, e catro (os dous vogais, máis un interventor e unha apoderada) só apunten os votos resulta un procedemento altamente ineficaz, polo que é moi recomendable que polo menos outra persoa da mesa abra sobres e saque a papeleta tamén para que a presidencia a lea. Con esta nova dinámica o reconto do Congreso resultou rápido e correcto. Os datos de electores coincidiron á primeira cos dos votos emitidos sumando os brancos e nulos. Que ledicia tan grande! Mais quedaba o peor: o Senado. Iso son palabras maiores. Xa pasan das 22.30 h e comeza a festa hardcore da democracia. Fixemos o escrutinio do Congreso e na nosa cabeza o traballo máis importante xa está feito. Amodiño, a mesa énchese de moreas de papeis agrupados. Vai ser media noite. Hai que contar. Miragre! Os números tamén cadran. E veña a cubrir actas de escrutinio e de sesiónPero hai que seguir. Imos abrindo os sobres do Senado e agroman pouco a pouco montañas de papeletas enormes que clasificamos por partido, con tres aspas, por voto nulo coa manida frase "esta cámara non serve para nada", por exemplo; por voto en branco e por papeletas con votos variados. Amodiño, a mesa énchese de moreas de papeis agrupados. Vai ser media noite. Hai que contar. Milagre! Os números tamén cadran. E veña a cubrir actas de escrutinio e de sesión. É o momento de encher os sobres coa documentación para o Xulgado de Paz. Estou en modo autómata. Aparece un funcionario de Correos que tamén necesita un papel e unha sinatura. Feito. Falo coa presidencia veciña. Todo en orde. Marchamos acompañadas pola policía cara ao xulgado. O policía dinos que xa somos as últimas. Chegamos ao xulgado, entregamos a documentación por volta da 1 da mañá e a xuíza dinos que aínda restan moitas mesas por entregar a documentación. Saímos saudando a varios mozos apresurados que entran no edificio cos seus sobres marróns. Fin da festa. Chega a resaca.
NOS_44990
No Teatro Principal de Pontevedra, a cidade elixida pola escritora, Fina Casalderrey lerá hoxe o discurso co que ingresará na Real Academia Galega. Con ela a literatura infantil e xuvenil entrará nunha institución que volverá contar con cinco mulleres no seu plenario, o número máximo da súa historia.
"Viaxe á semente. Dende os refachos do corazón ata onde habita o imaxinario" é o título do discurso co que a escritora Fina Casalderrey ingresará hoxe formalmente como numeraria da Real Academia Galega, nun acto aberto ao público que terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra ás 19:00. Será a académica Rosario Álvarez Blanco a que lle dará réplica no acto, segundo rexe o protocolo da institución. Fina Casalderrey ocupará a cadeira que deixou vacante Illa Couto e con ela entrará a formar parte da institución con sede en Tabernas un dos nomes máis recoñecidos da literatura infantil e xuvenil, un xénero especialmente rico na literatura galega e que atravesa un dos seus mellores momentos. Coa entrada de Fina Casalderrey, a Academia volve contar con cinco mulleres no seu plenario, a cifra máxima acadada na institución e que minguara coa morte da bibliotecaria Olga Gallego. Luz Pozo Garza, Xohana Torres, Margarita Ledo, Rosario Álvarez e agora Fina Casalderrey sentarán nas cinco das trinta cadeiras nos plenarios celebrados no do edificio da Rúa Tabernas. Fina Casalderrey, natural de Pontevedra, é un dos grandes nomes da literatura galega con arredor de cincuenta títulos publicados. A súa primeira aportación á escrita dos máis novos foi Mutacións Xenéticas en 1991. En 1996 Os misterios dos fillos da Lúa outorgoulle o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Na súa traxectoria atópanse tamén tres singulares libros de recompilación de gastronomía tradicional, escritos canda o seu compañeiro Mariano García, O libro da empanada, Festas gastronómicas de Galiza e Repostería en Galiza. Recentemente, Fina Casalderrey realizou xunto con Eloy Varela a curtametraxe Dúas Letras na que se adentra a través de imaxes na historia da emigración. O libro O neno can, escrito con Francisco Castro está tamén nas súas publicacións recentes. En decembro Casalderrey recibirá a homenaxe da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) ao ser nomeada Socia de Honra. Fina Casalderrey será a terceira autora que a asociación recoñece coa súa distinción, despois de Neira Vilas e Agustín Fernández Paz.
NOS_7367
Arbo, As Neves, Crecente e Salvaterra de Miño queren retomar unha reclamación histórica desta construción singular e milenaria do enxeño galego.
A localidade de Arbo vén de acoller un acto de presentación das propostas levadas ao Parlamento para pór en valor as pesqueiras e retomar unha reclamación histórica desta construción singular e milenaria do enxeño galego. Diego P. Gago, responsábel local do BNG en Arbo, diante dunha audiencia internacional de medio cento de persoas, fixo un percorrido pola historia destas construcións e pola loita social que o seu avó, Ignacio Gago, abandeirou desde finais dos anos 70 e pola que foi recoñecido recentemente como "veciño insigne". As pesqueiras, ou pescos, facilitan a pesca da lamprea "cun xeito único en toda Europa que debe valorizarse como revulsivo económico das localidades Miñotas", tal e como puxo de manifesto Xosé R. Méndez, alcalde das Neves, cualificándoas asemade de "arquitectura singular que está perdendo o seu uso paulatinamente polo ausencia de alternativas, ademais de polo perigo real polas variacións de nivel provocadas polos encoros, que fan do Miño unha fábrica de cartos que marchan fóra". "Nin Madrid nin Lisboa dan solución a un problema que non entenden", acuñou Luís Bará, deputado no Parlamento galego polo BNG, que xunto a Alexandra Fernández incoou ao goberno do país a retomar a consideración de Ben de Interese Cultural xunto cun plan dinamizador "que acolla a todos os sectores implicados da sociedade". Foi este "un acto enriquecedor e construtivo, coa participación de veciños e veciñas de Arbo e das demais localidades miñotas, grandes coñecedoras da vida arredor das pesqueiras e que seguirán exixindo que sexan tidas en contas como un recurso económico vivo e un elemento dinamizador da sociedade, ademais dun ben histórico cun grande potencial turístico", concluíu a formación nacionalista.
NOS_44391
O coche de Petro Simonenko foi atacado por fascistas con cócteles molotov ao saír dunha entrevista televisiva. Nela anunciou a súa retirada da súa candidatura aos comicios "ilexítimos" do vindeiro 25 de maio.
Na sexta feira o primeiro secretario do Partido Comunista de Ucraína, Petro Simonenko, foi vítima dun atentado por parte dun grupo de 30 militantes vinculados ao fascista Euromaidán, que participou no golpe do Estado e apoiou o actual Goberno de Kiev. A agresión tiña lugar á saída dunha entrevista concedida por Simonenko nunha das principais canles televisivas do país, na que anunciou a retirada da súa candidatura ás eleccións presidenciais previstas para o próximo 25 de maio, que cualificou de "mascarada". A decisión do PCU de abandonar a carreira electoral débese -segundo apuntaron- á "falla de lexitimidade das mesmas", ao que se engaden as "operacións terroristas implementadas polo Goberno, as provocacións contra o partido comunista e o desastre económico resultante das políticas da xunta". Coa saída de Simonenko, son xa catro os aspirantes presidenciais que retiraron a súa candidatura. Ás portas do estudo o agardaba varias decenas de persoas enmascaradas que portando armas, e que segundo denunciou o propio Simonenko, en declaracións a unha estación de radio, tentaron destruír o vehículo no que se desprazaba guindando cócteles molotov. Un deles explotaría contra a vidreira traseira do coche. Descoñécese se o impacto tivo consecuencias persoais para o líder comunista ou algunha das persoas que acompañaban. Simonenko fixo votos porque este suceso axudase aos seus compatriotas a "comprender o que realmente pasa no país" e responsabilizou directamente a Pravy Sektor e Svoboda. Kiev quer ilegalizar o PCU O Goberno golpista, por boca do seu Primeiro ministro Alexandr Turchínov, anunciou días atrás a intención de iniciar unha "investigación" por parte do Ministerio de Xustiza contra o Partido Comunista acusándoo de separatista. Turchínov mostrouse partidario de que ese proceso conclúa coa "prohibición" das actividades dos e das comunistas. As agresións contra dirixentes e militancia do PCU sucédense desde o euromaidán. O mes pasado Petro Simonenko era agredido por deputados de Svoboda na tribuna do Rada Suprema (Parlamento) por defender unha solución "federal" á crise que vive o país.
PRAZA_59
Montse Dopico entrevista Xosé Neira Vilas, que vén de publicar dous novos libros: Días de Cuba e Lar, Nai, Pan (Galaxia)
Días de Cuba e Lar, Nai, Pan (Galaxia) son dous dos últimos libros que publicou Xosé Neira Vilas. O autor de Memorias dun neno labrego non para. Nunca. Lar, Nai, Pan é unha evocación da infancia perdida, mais tamén a denuncia da sociedade desigual e clasista da posguerra. Días de Cuba é a crónica do entusiasmo co que Neira Vilas participou nos anos 60 e 70 da revolución cubana. Nun tempo no que todo estaba por construír. No que parecía que o pobo era, si, quen máis ordenaba. Está a publicar moito ultimamente, non si? Teño máis tempo para iso, si. Os últimos libros que publiquei foron o de Paco del Riego, o de Isaac Díaz Pardo, a autobiografía, un epistolario e o ciclo de discos: Cantos de sol a sol, Cantos de lembranza e Cantos que veñen de lonxe. Tamén van saír Canto de amor, outro con Mini e Mero, outro con Roi Casal... Lar, Nai, Pan ten bastante de evocación da infancia. Nai é unha evocación da infancia e da adolescencia. Esta parte vai acompañada dun disco, coa voz de Uxía Blanco. As tres partes están compostas por unha sorte de poemas en prosa, do estilo de Platero y yo, por poñer algunha referencia. Escribín Lar ao volver a Cuba tras unha viaxe de retorno que fixen aquí, no 1972, -emigrara no 1949-. Nai é unha evocación da miña nai, e escribino no 1977. Pan, do 1986, é máis universal. Son estampas realistas sobre o ser humano e a súa loita por gañar o sustento. Os tres libros foran editados por Galaxia no 1993, co título de 'Charamuscas', e agora reeditámolos. Lar leva ilustracións de Xan Balboa, Nai de Xosé Luís de Dios e Pan de Siro. "Cando me preguntan se Memorias é autobiográfico eu digo que si e que non. Non o é nos detalles. Pero si o é no xeral, porque reflicte a vida de moitos rapaces galegos" Como Memorias dun neno labrego, non agocha o lado máis duro daquel "paraíso perdido" da infancia. Pode haber algo de idealización, mais relativa. Lembra as cousas e as persoas daquel tempo. Cando me preguntan se Memorias é autobiográfico eu digo que si e que non. Non o é nos detalles. Pero si o é no xeral, porque reflicte a vida de moitos rapaces galegos. A motivación de Lar, Nai, Pan é distinta. En Lar volvo a Galicia tras 24 anos de ausencia, e á volta á Habana escribo esas estampas evocadoras e entrañables do reencontro. Eu nin pensaba publicalo: era máis ben algo familiar. Anos despois, do reencontro coa nai e coa familia, dese lado máis íntimo, sae Nai. Pan ten un ton, como dicía, máis universal, de denuncia. Esa denuncia ten que ver co poder esmagador da Igrexa ou cunha sociedade clasista... Presento a un xudeu como o librepensador, o home que di o que dos demais calan. Si que conto detalles, como o cura que se mete coa muller porque lle morrera o fillo, pero en xeral non é que sexa un texto contra a Igrexa. Houbo mesmo curas e un bispo que dixeron que era o todo o contrario... Conto cousas concretas, cousas reais da vida. Non é ficción. A guerra está no libro a través da miseria, o abuso de poder... Mais tamén nun relato sobre os corvos que van buscar a xente á casa e a deixan morta nunha gabia... Iso ten que ver cunha lembranza moi concreta. Tería eu sete anos. Chegou a Garda Civil pola noite, e como tardabamos en abrir comezaron a bater co fusil na porta... Quedaron as marcas, de feito. Meu pai non estaba en nada, pero saíu pola porta de atrás cara ao monte, porque daquela era así: viñan matarte porque si. Miña nai abriu a porta asustada, e resulta que o que querían era saber onde vivía un veciño que era o dono do autobús. Quedoume gravado aquilo. "Era unha sociedade moi desigual. Falo, por exemplo, do neno que rouba pan porque ten fame e leva unha malleira... Ou dos caseiros, que traballaban terra allea a cambio de dar ao dono a metade da colleita" En Pan está retratado o cacique violador, o caseiro, o xornaleiro... A extrema desigualdade da sociedade da posguerra. O cacique era o dono de todo, polo que podía facer o que quixera. E, si, era unha sociedade moi desigual. Falo, por exemplo, do neno que rouba pan porque ten fame e leva unha malleira... Ou dos caseiros, que traballaban terra allea a cambio de dar ao dono a metade da colleita. Xa o pai de Balbino era caseiro. Os xornaleiros tampouco tiñan terra, e andaban ao xornal. Agora a terra está a monte, xa non depende dela a subsistencia. Mais si, non todos os labregos galegos eran propietarios. Os que non o eran vivían peor. A emigración é protagonista de boa parte dos seus libros. Temos que mudar a imaxe dominante sobre este fenómeno? Puido ser un drama familiar, mais tamén unha oportunidade para moita xente de fuxir do caciquismo, ter máis liberdade, acceder á cultura... A emigración trouxo a Galicia 317 escolas e moitas cousas boas máis. Foi un factor de progreso para Galicia e non só unha desgracia. A xente nova marchaba para América... e si que é verdade que alí atopaban unha liberdade que aquí non tiñan. As primeiras escolas os emigrantes fixéronas alí, e foi alí onde moita xente puido estudar, ademais de ter oportunidades de desenvolverse profesionalmente que aquí non había. "A emigración trouxo a Galicia 317 escolas e moitas cousas boas máis. Foi un factor de progreso para Galicia e non só unha desgracia" En Días de Cuba conta como viviu os primeiros tempos da revolución cubana. Chegou a Cuba no 1961, desde Bos Aires. O que vivimos entón foi un estado de emoción colectiva: o pobo podía gobernar, era unha realidade. Todos colaborabamos. Todo o mundo era solidario. Faciamos traballo voluntario... Eu estudara xornalismo en Arxentina, pero seguín o consello de Blanco Amor de non converter a miña vocación nunha profesión. Durante moitos anos traballei na industria, ata que comecei a traballar en Zunzún, unha revista literaria para nenos, desoíndo a Blanco Amor... Aínda que xa antes colaboraba en revistas e xornais e escribía libros. Zunzún era unha revista moi importante. Tirabamos 250.000 exemplares. Era a máis importante revista de literatura infantil en castelán. "Á prensa, en xeral, esixíaselle que fose crítica. Lembro que houbo dous directores que foron cesados por non selo. Porque a crítica servíalle ao goberno para mellorar" Unha das cousas que conta, xa que estes días se fala tanto de liberdade de expresión, é que nunca o censuraron. Certo que vostede identificábase coa revolución. "Poida que sexa Cuba o único país do mundo en que os dirixentes acollen a crítica como un xeito de contribuír a mellorar a eficiencia dos organismos que dirixen", di en Días de Cuba. É que á prensa, en xeral, esixíaselle que fose crítica. Lembro que houbo dous directores que foron cesados por non selo. Porque a crítica servíalle ao goberno para mellorar. Un día o ministro de Comunicacións criticou a revista Palante, que criticaba ata ao exército, por non ser crítica cos fallos que houbera no fórum de comunicacións postais... Todos aprendiamos das críticas dos outros e ensinabámonos uns aos outros. Eu ía polas mañás a clase de planificación industrial e pola tarde ensinaba o que aprendera... Aos 20 anos emigrou a Bos Aires. Dixo que descubrira Galicia en Bos Aires, ao ler e estudar... E non só iso. A Biblioteca do Centro Galego foi moi importante. Pero nós tiñamos, ademais, o privilexio de recibir, nos centros galegos, clases, e en galego, de historia de Galicia, de lingua, de xeografía, de arte, de economía... algo impensable aquí. E os nosos mestres chamábanse Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Blanco Amor... No Centro Galego de Bos Aires había ademais un bibliotecario, Luís Ares, que nos foi xuntando aos mozos emigrantes. Así formamos as Mocedades Galeguistas, o periódico Adiante... Despois participei en moitas iniciativas para difundir o libro galego: fundamos a editorial Follas Novas, fixemos exposicións por América... Tamén fixo moito pola investigación sobre a emigración. Traballei durante 22 anos na sección galega do Instituto de Literatura e Lingüística de Cuba. E sen cobrar. Levaba o meu traballo ao día, e ademais dirixía a sección galega. Organizabamos moitas actividades. Hoxe queda o Fondo Gallego, que é o maior fondo bibliográfico sobre a emigración galega en América. Non son só libros. Tamén hai actas, correspondencia... "Cuba era antes da revolución un país neocolonial, dominado pola corrupción. Un país envilecido, reducido a servir de prostíbulo e casino para os norteamericanos. Un país de pobreza, analfabetismo, desemprego, cunha economía de monocultivo" Nunha das cartas a Luís Seoane comenta que a loita armada era a única vía para mudar as cousas na Cuba da ditadura de Batista. Tras o pasado colonial español e o, daquela, presente neocolonial americano. Cuba era antes da revolución un país neocolonial, dominado pola corrupción. Un país envilecido, reducido a servir de prostíbulo e casino para os norteamericanos. Un país de pobreza, analfabetismo, desemprego, cunha economía de monocultivo... As cartas que lle escribo a Seoane non son reais. Son supostas mais, si, cóntolle moitas cousas de como era Cuba. Non sei como é agora porque hai anos que marchei, pero si podo contar o que vin. Volvín hai seis anos, para a Feira Internacional do Libro, que non é a máis importante de América en termos de contratos que se poden conseguir, pero si como festa popular. A relación entre Galicia e Cuba foi sempre importante. Xa no XIX houbo moitos galegos que loitaron ao lado dos cubanos contra o colonialismo español. Outra cousa que di en Días de Cuba é o que máis difícil non foi construír o Estado socialista, ou facer a reforma agraria, ou construír o sistema sanitario e alfabetizar a poboación, senón "resistir o acoso brutal de Estados Unidos". Agora que Obama admitiu que o bloqueo económico non funcionou. Obama recoñeceu que o embargo económico fora un fracaso, pero de momento non o levantaron. Só comezou a haber relacións. Hai máis de 200 anos que Estados Unidos quere botarlle man a Cuba, que é unha perla estratéxica para eles. Por iso organizaron atentados, invasións... e nada conseguiron. Tampouco ese bloqueo brutal acabou coa revolución. Dixera Rodríguez Lapa que o máis importante que fixera Portugal fora resistir a Castela. Pois eu digo o mesmo de Cuba: o máis sobranceiro foi resistir a Estados Unidos. O seu discurso sobre Fidel Castro é ben distinto do dominante nos medios de comunicación. Non hai nada do ditador que lle chaman no Fidel que vostede coñeceu? Son os norteamericanos os que dominan a propaganda, os medios de comunicación do mundo. E tentan desacreditar a Fidel Castro e ao Che. Eu coñecín aos dous e o que vin neles foi cualidades humanas. O Che díxolle a unha señora que el era irmán de a quen lle doese unha labazada que lle desen a outra persoa en calquera parte do mundo. Agora moitos médicos cubanos están a ir a loitar contra o ébola, e moitos máis ofrecéronse para ir. Métodos de alfabetización de adultos que se utilizaron en Cuba están a empregarse agora en España... Iso foi o que construíron Fidel e o Che, coa filosofía de José Martí... "Agora moitos médicos cubanos están a ir a loitar contra o ébola. Métodos de alfabetización de adultos que se utilizaron en Cuba están a empregarse agora en España... Iso foi o que construíron Fidel e o Che, coa filosofía de José Martí..." Vostede investigou tamén a prensa galega da emigración. As cifras son abraiantes. A prensa galega de Cuba foi moi numerosa e tivo unha gran calidade. De 1878 a 1960 editáronse 71 publicacións da emigración. Con títulos como El Eco de Galicia, Follas Novas, A Gaita Gallega que foi o primeiro totalmente en galego... En Cancela aberta asegura que ao Che non lle tería gustado nada ver o uso mercantil que se fai da súa imaxe... Alén diso, a súa figura segue a servir como referente? Ao Che, tal como era, seguro que lle molestaría moito ese uso da súa imaxe que está a facer o capitalismo. Pero é algo que ninguén pode controlar. E claro que el segue a ser referente de valores. En Vinte anos retornando lembra como Fidel Castro falou con vostede cando veu a Galicia e foi recibido por Manuel Fraga. Vírao moitas veces antes? Non moitas tampouco. A primeira fora en Bos Aires, no ano 1959. No 1992 fomos Manolo Regueiro, Torrente Ballester e eu á inauguración da Cátedra de Cultura Galega na Universidade da Habana, e na véspera Fidel estivo con nós tres horas e media... Falamos de Galicia e de moitas cousas. "A miña identidade galega naceu aos poucos meses de chegar a Bos Aires. Comecei a ter conciencia de Galicia, do seu idioma, da súa historia... Aos seus meses de estar alí escribíame coa familia en galego" En Memoria da emigración afirma que cando soubo da morte de Castelao, en Bos Aires, comezou a interesarse máis pola súa identidade galega. En Crónicas Galegas de América reflicte tamén ese interese. É que a miña identidade galega naceu aos poucos meses de chegar a Bos Aires. Comecei a ter conciencia de Galicia, do seu idioma, da súa historia... Aos seus meses de estar alí escribíame coa familia en galego. O meu pai dicía que era mellor escribir coas nosas palabras, ao noso xeito, e non nunha lingua que aprendéramos mal na escola. Os membros das Mocedades Galeguistas tiñamos moi presente a Castelao, pero non só a el. Castelao segue a ser un emblema para todos nós. O meu activismo pola cultura galega comezou en Bos Aires e ata hoxe que teño a miña Fundación... Mais tampouco foi todo cultura na emigración. Cóntao Celso Emilio Ferreiro en Viaxe ao país dos ananos. A Celso Emilio botárono da Irmandade Galega porque había por alí uns falanxistas. Foi nese contexto no que escribiu ese libro. O que eu dicía é que os galegos de aquí e de alá son os mesmos, cos seus defectos e virtudes. Claro que hai fariseísmo, xente tramposa na emigración, mais aquí tamén.
NOS_55968
Adega denuncia a "fraude" do proxecto de licitación valorado en perto de 4 millóns de euros porque, di, non producirá compost e "incumpre" a normativa.
O proxecto aprobado por Sogama (Sociedade Galega de Medioambiente) prevé un investimento de 3.940.000 euros (+ IVE) para a construción dunha planta de compostaxe no vertedoiro da Areosa (Cerceda). Unha infraestrutura que estaría rematada en 2017 e na que prevén xerir 15.000 toneladas de residuos. Porén, desde a Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza denuncian que se trata dunha "fraude" porque "o sistema de recollida de SOGAMA non permite seleccionar separadamente en orixe a materia orgánica" o que tornaría en "material bioestabilizado" o resultante do proceso mais non en compost. A xestión dos residuos que van parar ao contedor verde non separa os restos de comida dos cueiros "O proxecto incumpre a legalidade galega, estatal e europea", sinalan con dureza desde Adega. A actual Lei de Residuos 22/2011, lembra a asociación ecoloxista, define no artigo 2 o compost como "emenda orgánica obtida a partir do tratamento biolóxico aerobio e termófilo de residuos biodegradábeis recollidos separadamente. Non se considerará compost o material orgánico obtido das plantas de tratamento mecánico biolóxico de residuos mesturados, que se denominará material bioestabilizado". Asemade, o RD 506/2013 sobre produtos fertilizantes, determina que compost é o "produto hixienizado e estabilizado, obtido mediante descomposición biolóxica aeróbica ... de materiais orgánicos biodegradabeis, recollidos separadamente". Neste senso, apuntan, os contedores de lixo que recollen os residuos para xerir en Sogama non desenvolven de maneira separada a recollida de materiais orgánicos (restos de comida) dos rexeites que habitualmente van parar ao mesmo espazo como cueiros. A convivencia de ambos os dous imposibilita a produción de compost. "Estamos perante outra burda fraude por parte Xunta-SOGAMA", denuncian desde Adega, "tentan dar gato por lebre facendo pasar por compostaxe o que en realidade é un proceso que terá como resultado un "bioestabilizado" que non poderá usarse como abono ou enmenda orgánica nos solos, e rematará indo a queimar ou a vertedoiro", advirten.
NOS_29870
25 de maio de 1891. Exhumación dos restos de Rosalía de Castro no cemiterio da Adina e traslado a Bonaval. O Rexionalismo exhibe os seus símbolos, entre eles, a bandeira que se veu xestando en torno ás cores azul e branca desde 1808 e estaba, na altura, totalmente consolidada como bandeira da Galiza.
A presenza dunha bandeira da Galiza, coa forma e as proporcións coas que hoxe a coñecemos, no traslado dos restos de Rosalía de Castro é coñecida desde 1898. Nese ano varios xornais da Galiza dan conta dun texto primeiramente publicado en La Gaceta de Galicia, e hoxe desaparecido como todos os exemplares deste medio de 1898- que alude á ampla presenza de bandeiras de España nas festas do Corpus de Compostela. E lamenta a nula presenza de bandeiras galegas. Outros medios difundiron a nota de La Gaceta. O primeiro, El Áncora, diario católico de Pontevedra. Publica o 30 de xuño de 1898. Ao día seguinte, 1 de xullo, é El Lucense, diario católico. O 2 de xullo aparece en La Idea Moderna. Diario democrático de Lugo, que indica: "La bandera de Galicia. Con este título escribe nuestro estimado colega La Gaceta de Galicia el artículo siguiente, que con gusto transcribimos" . E segue o texto. "Sólo recordamos una solemnidad en que vimos el pabellón gallego desplegado a los vientos: fue cuando aquel puñado de escritores, en unión con la Sociedad Económica, llevaron a cabo la traslación de los restos de la gran Rosalía Castro desde el cementerio de Iria Flavia al templo de Santo Domingo de Compostela. Desde entonces no lo hemos vuelto a ver más". Tamén na emigración. El Eco de Galicia, de Bos Aires, publica o texto de La Gaceta o 10 de setembro.A razón dese texto ten a ver, sen dúbida, coa vaga de patriotismo que nesa semana de xuño de 1898 enchía os periódicos editados na Galiza debido aos conflitos da guerra hispano-ianki. É por iso que se pide que a bandeira galega se vexa, tamén, durante as festas. O pavillón que o Batallón Literario de Santiago leva á guerra, unha bandeira "de seda branca con cenefa azul primorosamente bordada" é o máis parecido ao que na derradeira década do século dezanove acaba por se identificar coa bandeira de Galiza. Cenefa azul en seda branca A invasión napoleónica pon á vista dos galegos a primeira imaxe da nosa bandeira. Aínda non se identifica como bandeira de noso, mais o pavillón que o Batallón Literario de Santiago leva á guerra, unha bandeira "de seda branca con cenefa azul primorosamente bordada" é o máis parecido ao que na derradeira década do século dezanove acaba por se identificar coa bandeira de Galiza e distinguía como provenientes do Reino da Galiza os máis de 1.300 mozos de procedencias diferentes e de orixes familiares diversas que a seguían. Disolvido o Batallón Literario, a bandeira que portaba quedou depositada en Pamplona. Como un trofeo militar. Por orde de 28 de xullo de 1819, foi traslada a Galiza sendo a Universidade a receptora pois dela partiran os que non regresaron. Unha bandeira que foi honrada en máis dunha ocasión ao longo do século XIX e foi a orixe, estamos certos, do concepto primeiro e da imaxe máis tarde da bandeira da Galiza. Xura de bandeira O 26 e o 27 de abril de 1822 a Universidade fai unha homenaxe pública ao Batallón Literario. Nas intervencións dos diferentes estamentos universitarios, recollidas en libro impreso, podemos ver unha clara intencionalidade de identificar toda a Galiza co Batallón Literario, sendo a Universidade, como receptora de estudantes de toda a xeografía galega, o elemento de unión de todos eles. A bandeira do Batallón "que xamais foi rendida" é identificada como bandeira de todos os galegos pois galegos é o que eran todos os estudantes mortos. E aquel acto de abril de 1822 foi como unha cerimonia de xura de bandeira que efectuou toda a comunidade escolástica co obxecto de "ver restituída á súa nai, a Universidade, a bandeira". Do Cebreiro a Finisterre e de Ortegal ao Miño "corren os gratos galegos a se prostrar ante a bandeira conservada a costo do precioso sangue dos seus irmáns, fillos, sobriños, parentes e amigos" nunha praza que o Concello de Santiago acorda consagrar a perpetuidade á memoria do Batallón Literario. Foi así en 1845 cando, en clara alusión á bandeira do Batallón, Antolín Faraldo publica un texto titulado 'Nuestra bandera literaria', un verdadeiro manifesto literario que enlaza directamente co Batallón Literario. Unha bandeira literaria O decorrer dos días posteriores a 1808 furtou toda posibilidade de izar, onde quer que for e con ese significado, unha bandeira galega. Daí que fose a prensa, ou con máis entusiasmo aínda a literatura, o refuxio simbólico da idea da bandeira, e con ela da idea de Galiza. Foi así en 1845 cando, en clara alusión á bandeira do Batallón, Antolín Faraldo publica un texto titulado Nuestra bandera literaria, un verdadeiro manifesto literario que enlaza directamente co Batallón Literario.Mais é na segunda metade do século cando comeza a se afortalar o patrimonio simbólico da Galiza. Primeiro coa publicación de A gaita gallega e, dous anos máis tarde, en 1855, coa irrupción, na Coruña, dunha cabeceira xornalística denominada La Bandera de Galicia, xornal que asume, e por iso se ergue como bandeira, a defensa do que hoxe poderíamos chamar intereses galegos. A partir de 1863 é a literatura a que asume en solitario a "bandeira" de Galiza. Escribir en galego é suficiente marca identificadora. É suficiente bandeira. A escrita, que nos identificou como pobo desde o século XII recupera o seu espazo simbólico. Mais pouco tempo tardarán en aparecer as teas de azul e branco. É a partir de 1878 cando, á carón da bandeira como concepto comeza a ondear outra bandeira que entra directamente polos ollos e ten como elemento identificador algo "azul e branco". Raso azul e branco É a partir de 1878 cando, á carón da bandeira como concepto comeza a ondear outra bandeira que entra directamente polos ollos e ten como elemento identificador algo "azul e branco". E así na Coruña, o 2 de xullo de 1878, nunha procesión cívica onde desfilan "carrozas de raso azul e branco" ou en Ferrol, no ano seguinte, cando o Orfeón Ferrolano percorre as rúas da cidade para implorar a caridade pública en favor dos náufragos do Son. Rompen a marcha catro individuos a cabalo, un deles portando "o estandarte azul e branco" do Orfeón fundado un par de meses antes. Son as primeiras referencias que encontramos, desde 1808, en que as cores azul e branca denotan pertenza a unha comunidade. O concepto transformado en símbolo que une e identifica. A popularización do símbolo A prensa é, no século XIX, o principal instrumento popularizador de símbolos. A imaxe dunha bandeira azul e branca como símbolo de liberación e independencia nacional é habitual, na prensa que se pode ler na Galiza, desde a década de 1830, en referencia á independencia das colonias españolas de América do Sul, especialmente do Uruguai e a Arxentina. Tamén aparece moitas veces para se referir á bandeira "azul e branca dos nosos queridos veciños portugueses", que así era, desde 1830 a bandeira de Portugal e así é a utilizada nos numerosos intercambios entre as universidades de Coimbra e Compostela. No derradeiro cuarto do século XIX algo azul e branco percorre os camiños da Galiza, chámese bandeira ou estandarte, ás veces coa cruz de Santiago sobre a banda azul, outras co escudo, outras sen delimitar como é a combinación destas cores, mais sempre respondendo ao concepto bandeira de Galiza. Fixémonos nalgunhas datas, a primeira agosto 1881. Peregrinos de Tui diríxense a Compostela levando, ao seu paso por Padrón, "unha formosa bandeira de raso azul e branco ". Uns anos despois, en 1887, a tuna infantil de Compostela recebe como agasallo "unha preciosa e artística bandeira de raso azul e branco". A comezos da década de 1890, a bandeira galega, coa forma e proporcións que hoxe a coñecemos, é asumida polo Rexionalismo, como constata Alfredo Brañas en 1893. A bandeira do Rexionalismo A comezos da década de 1890, a bandeira galega, coa forma e proporcións que hoxe a coñecemos, é asumida polo Rexionalismo, como constata Alfredo Brañas en 1893 "[...] en Galicia se daba al mundo un ejemplo heroico de resistencia positiva [...] se proclamaba el regionalismo y se enarbolaba la bandera azul y blanca de la pequeña patria..." Algúns acontecementos habidos neses primeiros anos da década, todos de grande impacto social, e todos en Compostela, serviron para facer presente, e visíbel, esa bandeira, por veces chamada estandarte. O primeiro deles, o enterro do Reitor Gerardo F. Jeremías Devesa. A comitiva fúnebre, que transcorreu por varias rúas, levaba "estandarte color azul y blanco de los alumnos del Instituto; seguido por estos" Da mesma maneira e seguindo o mesmo estandarte, ían os estudantes de Veterinaria, Farmacia, Dereito e Medicina. Mais son os anos de 1891 e 1892 os que van dar o aval público definitivo á bandeira e que permiten entendermos na súa plenitude a cita de Brañas. Sabemos que en maio de 1891 estivo, a bandeira, presente no traslado dos restos de Rosalía a Bonaval e tamén sabemos que en 1892 o Centro Gallego da Habana realizou o encargo dun estandarte que foi realizado en Compostela e exposto en abril dese ano nas vidreiras do escaparate de Rey y Luengo. A prensa dá detalles que nos permiten asegurar que á altura de 1892 a forma e características da bandeira son coñecidas do público lector de periódicos e a imaxe da bandeira non é algo alleo para un determinado estrato da sociedade. Con certeza, á altura de 1892 a expresión "raso azul e branco" que con tanta frecuencia aparece na prensa é sinónimo de bandeira galega Dous son os xornais que informan da presenza no escaparate de Rey Luengo da bandeira que vai ir para o Centro Gallego da Habana. Un deles, Gaceta de Galicia, fai unha descrición moi pormenorizada de como é o estandarte, mentres que o outro, El Eco de Galicia, obvia todos os detalles, por dar por suposto que o concepto "bandeira galega" é coñecido dos lectores e só fala dos outros detalles: dragón, etc. Isto é, dá por suposto que o público ao ler "raso azul y blanco" ten como referente o mesmo obxecto que a Gaceta describe con detalle "el estandarte es de raso blanco y azul como la bandera de este reino". Nótese ademais que El Eco de Galicia, que se publica en Lugo, informa varios días antes e sen dar detalles de como é a bandeira. Isto fai pensar que os leitores do periódico de Lugo, necesariamente e para entender a noticia, tiñan que ter unha imaxe mental de como era o obxecto que se podía ver no comercio de Rey y Luengo. Con certeza, á altura de 1892 a expresión "raso azul e branco" que con tanta frecuencia aparece na prensa é sinónimo de bandeira galega; como sen dúbida tamén é na noticia que, once anos antes, dá a mesma Gaceta ao falar dun grupo de peregrinos de Tui a Compostela: "traen una hermosa bandera de raso azul y blanco" .A bandeira galega, concentrado o seu significado na expresión "raso azul e branco", foi con toda certeza visíbel na Galiza polo menos desde 1878. Máis que falar de creación e de deseño planificado no caso da bandeira cabe falar de consolidación dun patrón baseado na combinación azul e branco que se xestou durante a primeira metade do século XIX e se consolidou a partir de 1875 De quen é a idea A. Villar Ponte escrebe que "fué el venerable Murguía el diseñador de la enseña que se generalizó modernamente, a petición del centro Gallego de la Habana." Escrebe Villar Ponte 40 anos despois do traslado de Rosalía a Bonaval e atribúelle o deseño a Murguía que poucos anos antes escribira que a bandeira galega era branca e coa cruz de Santiago. Debemos notar que o feito de escribir que era branca non exclúe que puidese levar azul. Así o fai Brañas na velada de homenaxe a Rosalía de Castro celebrada no Ateneo León XIII en 30 de maio de 1899: "abrazados á bandeira branca de Galicia e á roxa de España", o mesmo Brañas que seis anos antes dixera "bandera azul y blanca de la pequeña patria". Na miña opinión, máis que falar de creación e de deseño planificado no caso da bandeira cabe falar de consolidación dun patrón baseado na combinación azul e branco que se xestou durante a primeira metade do século XIX e se consolidou a partir de 1875. E nese deseño final, que acabou sendo como describe La Gaceta en 1898, ("La bandera gallega solo tiene dos colores blanco y azul. El fondo es blanco, y desde el ángulo superior de la izquierda hasta el ángulo inferior de la derecha, atravesando el centro, una franja de color azul que debe tener de ancho la tercera parte del alto ó ancho total de la bandera...Claro está que en el centro puede colocarse el escudo de Galicia") a escola de deseño da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago -impulsora do traslado dos restos de Rosalía- tivo un papel fundamental e son moitas as probabilidades de que a bandeira nacese neste contexto en que Alejandra, a filla de Rosalía de Castro e de Manuel Murguía, tamén estaba presente. Sobre a idea de azul e branco a antiga cenefa da bandeira do Batallón Literario acabou sendo franxa transversal.
NOS_29366
A Mesa pola Normalización Lingüística aproveita a campaña electoral para lles reclamar a todas as formacións políticas que concorren ao 26X "compromiso co galego", pois a asociación denuncia que "fica moito para conseguirmos unha verdadeira igualdade e oficialidade real".
A principios desta semana, a Mesa advertía de que, en tan só dous meses e malia atoparse en funcións, o Goberno de Rajoy aprobaba oito normas legais que regulan 39 puntos impositivos do español. Neste contexto, a asociación empraza os partidos políticos que concorren ás eleccións do 26 de xuño "un compromiso para mudar esta situación de discriminación lingüística". Maceira: "Os dados amosan unha exclusión do galego na educación infantil das cidades" Entre as medidas propostas pola Mesa destaca a elaboración "de maneira ampla e consensuada" dun novo decreto para o uso do galego no ensino. Un decreto, salienta a Mesa, que "atenda aos principios da normalización lingüística" e que garanta "unha oferta ampla de liñas de ensino infantil en galego en todas as vilas e cidades". A entidade sinala ao respeito que "os dados amosan unha exclusión do galego na educación infantil das cidades". O presidente da Mesa, Marcos Maceira, afirma que "hai que actuar para realizar mudanzas lexislativas, pois aínda en 2016 hai máis de 500 disposicións legais que amparan ou obrigan ao uso do castelán fronte a menos dunha decena a favor do galego e que no mellor dos casos consenten simplemente o seu uso". Declaracións de membros do PP en campaña En relación á campaña, a Mesa pon de manifesto que "as declaracións de diferentes persoas destacadas do PP con argumentos de imposición do galego non respeita a Declaración a prol da unidade a favor da lingua galega". Trátase esta dunha declaración asinada por todos os partidos políticos a 15.07.2015 que advertía da necesidade de abrir unha nova etapa de normalidade para a lingua galega.
NOS_40793
Cómpre reflexionar sobre as músicas atopadas neste 2021, así que a colaboración de hoxe vén sendo unha especie de compendio.
Vaise achegando o final do ano e antes de que todo quede sepultado polas panxoliñas de Nadal, cómpre reflexionar sobre as músicas atopadas neste 2021. Así que a colaboración de hoxe vén sendo unha especie de compendio, de santo resumo sobre ritmos e melodías que conquistaron o meu corazón e que así volo fun contando mes a mes. (Sirva tamén este espazo para darvos as grazas pola vosa atenta lectura). Contigo / Maria Rodés & La Estrella de David / Elefant Records / 2021 / 12 pezas Comezamos coa fermosa voz de María Rodés que continúa facendo cancións sinxelas, pero de delicada beleza, desta vez xunto con David Rodríguez a.k.a "La estrella de David". Acaban de lanzar un novo álbum en colaboración, Contigo (Elefant Records), no que cantan a dúo letras íntimas e ritmos de folk norteamericano, bluegrass e baladas amorosas. Continuamos cunha das grandes sorpresas deste ano, os rapaces de Momboi. Chegan dende Noia e arredores cun sonido auténtico, cargado de ritmos fronteirizos e latinoamericanos pero cunha contundente esencia galega. Teñen publicado varios sinxelos e un Ep e seguen medrando no seu propio estilo acústico, cheo de forza e sensualidade. Este mes de novembro vai de pop folk, pois porque sempre é agradable acender a cociña de leña con esta música de fondo. Quizais o pop folk garde algo desta esencia de outono, de humidade e de olor a fume e de castañas e de bailes en interior. A todas estas cousas tamén me recorda o recente disco de Secho, Recuperar. Guitarras acústicas e unha voz que vai envolvendo como aire fresco os once cortes deste disco no que atopamos as estelares colaboracións de Guadi Galego e García MC. Secho, Serxio Castiñeiras, di que canta sobre esas pequenas cousas, que ao final son as máis grandes. E canta razón. Noutro bloque dedicado ás novidades, gustaríame destacar algunhas forzas da natureza como son os músicos Grande Amore e Verto. A priori non é un estilo musical que persoalmente escoite a diario, quizais reservo este tipo de electro pop, para os momentos máis efusivos, pero estou totalmente rendida ás letras que constrúen e nas que atopamos referencias fantásticas e cotiás e humor e tolería, que sempre deberían estar presentes nas nosas vidas. Ou que faríamos sen esas cancións que conseguen sacarche un sorriso? Por último, só quixera invitarvos a facer este tipo de resumos musicais. Sempre cae ben facer unha lista de reprodución con todas as cancións que marcaron o noso ano e así agasallar a alguén ou a nós mesmas dun xeito diferente. Dentro duns aniños recordaremos aquel estraño 2021 pospandémico con boa música, iso seguro. Con ansia espero 2022, coas novidades de Caldo ou de Abe Rábade ou Habelas Hainas, a ver se as traen os Reis.
NOS_28544
A intensidade media diaria rexistrada en 2013 foi de 20.158 vehículos. Non había peor rexistro desde 2001. Nestes anos o prezo das peaxes aumentou de maneira constante e desorbitada.
En 2013 circularon pola Autopista do Atlántico menos vehículos ca nunca desde 2002. Os datos do Ministerio de Fomento citados por Economía Digital amosan que a AP9 tivo seu peor dato desde 2001. A crise económica mais principalmente unha suba constante de portaxes leva a que moit@s usuari@s opten por vías alternativas. Nos últimos anos, o prezo das portaxes disparouse nun 50%. O Grupo Itínere pechou 2012 cuns beneficios que rozan os 31 millóns de euros. En 2013 a intensidade media diario foi de 20.158 vehículos. Non houbera un rexistro tan baixo desde 2001 (19.904 vehículos/día). Nas portas da crise, lembra Economía Digital, pola Autopista do Atlántico pasaban cada día máis de 27.000 vehículos. Desde 2009 as tarifas aumentaron por volta dun 25%. O que provocou a indignación de non poucos usuari@s. Mais esa indignación non callou, a diferenza doutras partes do Estado, en movementos de rexeitamento amplos ('No Vull pagar', en Catalunya). En Galiza, máis alá de protestas puntuais e actos de denuncia (como os desenvolvidos por Compromiso, por exemplo) semella que ese malestar optou por traducirse en renunciar a circular pola AP9. No arranque deste ano, o prezo da peaxe volveu subir (un 1,85%). Circular entre Vigo e A Coruña, as dúas cidades que simbolizan os polos de desenvolvemento do norte e sur do país, é prohibitivo para moitas economías. A opción preferida por miles de condutores semella a deserción das Autopistas do Atlántico.
NOS_38110
Dúas décadas de rock punk, enerxía eléctrica e potencia underground, catro discos e ducias de concertos. O currículo de Samesugas, banda compostelana, é único na escena galega. Esta sexta feira, 5 de abril, inicia o ano do seu aniversario cun concerto canda os cataláns Sinciders.
A sala Sónar de Santiago de Compostela acollerá, a partir das dez da noite, unha velada de "punk rock de alto octanaxe". Iso promete Samesugas, cuxas cancións en inglés e en galego aparecen en compilatorios de Galiza, Arxentina, Alemaña, Xapón ou Finlandia, e que se autodefine "allea a modas e poses". "Levamos 20 anos a tocar rock'n'roll e fieis aos principios do punk, aqueles de 'faino ti mesmo", explican desde o grupo. Non por acaso as súas raíces atópanse no vizoso hardcore galego dos 90. Os festexos de Samesugas incluirán, ao longo deste 2019, a edición dun disco de rarezas, que recolle temas espallados e obras colectivas, pequenas tiraxes ou mesmo inéditas. Haberá ademais "concertos especiais con convidados de luxo". Este 5 de abril comparece -entradas a 10 euros- cos barceloneses Sinciders, debedores confesos das atómicas formacións do garaxe duro e punk dos noventa: New Bomb Turks, Nine Pound Hammer, Lazy Cowgirls. Presentan traballo, Synesthesic Sensibilities (2018).
NOS_13382
Co obxectivo de predicir onde se producirán os vindeiros gromos de Covid-19 na Galiza, un equipo multidisciplinar desenvolveu un modelo matemático que permite sinalar as comarcas rurais do interior do país como os lugares con menor risco de padecer a aparición dun surto da infección.
Co obxectivo de predicir onde se producirán os vindeiros gromos de Covid-19 na Galiza, un equipo multidisciplinar desenvolveu un modelo matemático que permite sinalar as comarcas rurais do interior do país como os lugares con menor risco de padecer a aparición dun surto da infección. A aparición da pandemia de Covid-19 en 2020 impulsou a comunidade científica a analizar e investigar os fenómenos asociados á expansión do virus, a póla máis visíbel desta innovación son as vacinas, porén, disciplinas como a matemática tamén abordan estas cuestións. Para saber como se espalla o virus e poder prever que lugares teñen máis posibilidades de padecer un gromo e actuar en consecuencia, a Universidade de Santiago de Compostela desenvolveu un estudo multidisciplinar con Ángel Miramontes e José Balsa Barreiro, do grupo de Investigación e Análise Territorial do Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza, e Alberto P. Muñuzuri, Alejandro Carballosa e David García Selfa, do grupo de Física Non Lineal, publicado o 28 de outubro por Scientific Reports, da prestixiosa revista Nature. Por medio dun modelo matemático alimentado con datos proporcionados polo Servizo Galego de Saúde até o 30 de xuño de 2020 -abarcando as dúas primeiras vagas da infección-, o estudo asigna un factor de risco a cada localidade, após ter en conta variábeis como a mobilidade xeográfica, a distribución da poboación e maila actividade en nodos chave de contacto social e laboral como aeroportos e portos. Este sistema de predición permite "evitar surtos epidémicos en concellos con alto risco", destacan os autores, permitindo reforzar o sistema sanitario onde é máis preciso. O eixo atlántico da Galiza foi a zona cunha propagación xeográfica máis significativa, explican, "observamos como as áreas periurbanas que rodean as principais cidades adquiren maior protagonismo", xustificándoo por unha banda en que é o lugar no que viven a meirande parte dos residentes, e pola outra na concentración de actividades industriais, o que provoca "un maior dinamismo baseado nun maior número de interaccións". Pola contra, as comarcas rurais do interior do país con menor densidade de poboación son as que presentan un risco de gromo menor. Iso si, no estudo sublíñase que o factor de risco non é unha certeza absoluta, "pode ocorrer que un núcleo con baixo risco experimente un surto antes que outra localidade de alto risco" por elementos incontrolábeis, como a visita dunha familia contaxiada. Risco alto permanente nas cidades Na maior parte dos escenarios posíbeis, as cidades de máis de 100.000 habitantes teñen un factor de risco alto para a expansión da Covid-19. No que atinxe ás vilas de tamaño medio, pouco menos da metade presentan un alto risco, tamén vencellado a súa situación xeográfica, mentres que o resto se asemella aos nodos rurais, cun risco de gromo practicamente nulo.
NOS_20338
O 24 de marzo de 2016 estaba chamado a ser o día do nacemento dun novo Estado de prosperar o "si" no referendo escocés.
O libro branco sobre a independencia presentado polo Goberno escocés a finais de novembro de 2013 estabelecía a data exacta da independencia do país no caso dunha vitoria do "si". A data sería o 24 de marzo de 2016. A derrota dos independentistas no referendo do 18 de setembro de 2014 obrigou a deixar a un lado a folla de ruta marcada polo Goberno do entón primeiro ministro, Alex Salmond. Esta derrota non supuxo esquecer a loita pola independencia. De feito, o SNP, agora liderado por Nicola Sturgeon, impulsará unha campaña no verán para propoñer e gañar un segundo referendo a curto prazo. As enquisas dos últimos meses veñen reflectindo o apoio crecente ao "si" da Escocia independente. Aliás, o principal motivo de que se reinicie o proceso de secesión é o referendo ao redor do mantemento de Gran Bretaña na UE, unha consulta que terá lugar o 23 de xuño, pois en Escocia é maioritaria a opción a manterse no seo da UE.
PRAZA_246
A CRUE aproba, cun só voto en contra, propoñer unha moratoria de dous anos para a posta en marcha de graos de tres anos. As organizacións de estudantes critican de forma unánime o proxecto do Executivo polo incremento de prezos que pode implicar.
A Conferencia de Reitores (CRUE) aprobou este luns adiar a posta en marcha dos graos de tres anos de duración cando menos ata 2017. A decisión foi votada pola práctica totalidade das universidades públicas españolas, con 57 votos a favor, cinco abstencións e un só voto en contra. A reforma, aprobada o pasado venres, levaba meses sendo criticada dende distintos ámbitos: estudantado, sindicatos, partidos da oposición e os propios reitores, que denunciaran a falta de diálogo do Executivo, o innecesario dunha medida que xeraría "confusión" e que, ademais, incrementaría o prezo das matrículas. Subliñaban tamén que este modelo facilitaría a competencia das universidades privadas, que non poden competir nin en calidade nin en prezo coa oferta pública de graos, pero si o poden facer na de máster O reitor da Universidad Complutense, José Carrillo, foi o encargado de explicar en rolda de prensa a posición acordada na Asemblea Xeral. Carrillo salientou que "como o decreto permite que sexan as universidades as que decidan, dedicimos que non haxa novos graos de tres cursos até setembro de 2017" e explicou que nos dous anos que restan, buscarán analizar o funcionamento do actual sistema de graos (aínda de implantación recente), reflexionando de forma conxunta sobre a necesidade de introducir cambios. Carrillo defendeu que coa moratoria acordada se garante o mantemento da "cohesión do sistema", que se vira ameazada polo decreto do Goberno, que podería ter levado a que existise "un grao de tres anos nunha universidade e un de catro na de enfronte ou noutra comunidade". A moratoria, explicou Carrillo, debe posibilitar "a elaboración duns criterios homoxéneos para a súa implantación en todo o territorio nacional" A CRUE xa adiantara o pasado venres que non consideraba que se desen "as condicións necesarias nin a oportunidade para implantar agora un modelo distinto que poida contribuír a un maior desequilibrio na oferta de titulacións universitarias". A moratoria, explicou Carrillo, debe posibilitar "a elaboración duns criterios homoxéneos para a súa implantación en todo o territorio nacional, evitando contradicións e incoherencias nas decisións que poidan adoptar as Comunidades Autónomas e as Universidades". Ademais, lembrou que ao longo deste ano moitas comunidades autónomas (todas agás Galicia e Euskadi) vivirán eleccións que poden mudar os seus gobernos, o que aconsella agardar para adoptar este tipo de decisións. A preguntas dos xornalistas, Carrillo desautorizou un dos principais argumentos defendidos polo Ministro Wert: o da homologación internacional de títulos. O reitor da Complutense lembrou que hai países europeos con graos de cuatro anos e outros de tres, que en América Latina ou os Estado Unidos o máis habitual son os de catro anos e que mesmo países con titulacións de tres anos, como Alemaña, estudan pasar a ter estudos de catro anos. Posición do estudantado Antes do anuncio realizado pola CRUE, representantes da Coordinadora de Representantes de Estudantes de Universidades Públicas (Creup) compareceran publicamente para demandar unha moratoria que deixase o decreto do Goberno sen aplicación e unha análise en profundidade da aplicación do Plan Boloña. "A principal premisa para mudar o modelo de estudos foi a homologación de títulos co resto da UE e os beneficios que suporía para a mobilidade de estudantes e titulados por Europa. Esta premisa era falsa cando se iniciou o anterior proceso e ségueo a ser agora" A Asemblea Estatal de Representantes de Estudantes, na que están representados os consellos estudantís da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo, publicara ao longo da fin de semana unha declaración contraria ao proxecto do ministro Wert. O texto lembraba que "hai 8 anos impúxosenos, desoindo a voz do estudantado, o coñecido Plan Bolonia, que ao non vir acompañado dun axeitado sistema de bolsas e axudas, supuxo o inicio dun camiño que pretende restrinxir o acceso á Educación Superior en base a criterios económicos e no que se ten afondado considerabelmente dende entón, cun sistema de bolsas cada vez máis precario e restrinxido, e uns prezos públicos a cada paso máis inaccesíbeis". Engadía que "a principal premisa que se utilizou para mudar o modelo de estudos foi a homologación de títulos co resto da Unión Europea e os beneficios que suporía para a mobilidade de estudantes e titulados por Europa. Esta premisa era falsa cando se iniciou o anterior proceso e ségueo a ser agora" e concluía que "a transición ao sistema de graos básicos de 3 anos minosvalorados e 2 anos de mestrado supón un paso máis no camiño da privatización do Ensino Público". "O prezo de cada ano de mestrado sitúase entre o dobre e a tripla do prezo dun ano de grao" De igual xeito, Brais Fortes, responsable nacional dos Comités, denunciaba que "nos últimos anos as universidades pasaron de ser centros de coñecementos a creadoras de man de obra barata" e sinalaba que "o prezo de cada ano de mestrado sitúase entre o dobre e a tripla do prezo dun ano de grao". Fortes tamén lembraba que "as bolsas para o grao endureceron as súas condición académicas con respecto ás licenciaturas, mentres nos mestrados esixen unha nota media de notábel para obter a bolsa".
PRAZA_7139
Por todo isto é polo que a urxencia máis inaprazábel na nosa sociedade é a de que tomen o control as xeracións máis novas, porque os vellos van toleralo todo mentres zafen eles
Ultimamente hai unha noticia que se repite con sospeitosa frecuencia. Trátase da negociación dunha empresa que para asegurar a súa viabilidade lle propón ao seu cadro de persoal un novo marco salarial, de horarios e condicións laborais. A proposta é de entrada salvaxe: baixada xeneralizada de salarios, redución de vacacións e complementos, etc. Trala conseguinte indignación primeiro, e pánico despois, a dirección da empresa reúnese cunha representación dos traballadores e traballadoras e estes saen do despacho cunha oferta menos brutal: por exemplo de conxelación de suplementos e reestruturación e flexibilización de xornada para o cadro de persoal actual e redución considerábel do salario en todos os conceptos para as novas incorporacións. Trala conseguinte indignación primeiro, e pánico despois, a dirección da empresa reúnese cunha representación dos traballadores e traballadoras e estes saen do despacho cunha oferta menos brutal Así pasou, por citar dous casos, en Citroën, onde o sindicato amarelo tragou. Pasa agora en Abanca, onde é de temer que vaia ocorrer outro tanto. Dúas empresas que suman 10.000 traballadores e, polo seu tamaño e a súa influencia directa ou indirecta no conxunto do tecido empresarial galego, van arrastrar a moitas outras empresas a tomar idéntico camiño. Como van todas as auxiliares de PSA, os concesionarios de coches, transportistas, gasolineiras, e por extensión todo o metal, pedir máis que a propia Citroën? Como vai o cadro de persoal de ningunha compañía esixir que se lles manteñan as condicións laborais cando a entidade que as financia non o fai? Que van facer o resto de entidades financeiras se ven que unha competidora consegue vantaxe? Como vai o cadro de persoal de ningunha compañía esixir que se lles manteñan as condicións laborais cando a entidade que as financia non o fai? A chantaxe e a ameaza empresarial é de tal calibre que un non se atreve a dicirlle aos sindicatos o que teñen que facer. Porén, é desesperante comprobar como a corda rompe sempre polos máis novos. Os gobernos lexislan para que os xubilados actuais manteñan nominalmente intactas as súas pensións, incluídas as máximas, mentres aos traballadores que as pagan lles din que vaian buscando un complemento porque as pensións futuras... a ver quen as vai pagar. E para animalos a caer na rede dos fondos de pensións van baleirando o Fondo de Reserva, un peto do que levan fuxido 30.000 millóns de euros nos tres últimos anos mentres se anuncian rebaixas de impostos para as rendas altas. Os gobernos lexislan para que os xubilados actuais manteñan nominalmente intactas as súas pensións, incluídas as máximas, mentres aos traballadores que as pagan lles din que vaian buscando un complemento Ao tempo lexíslase para que os novos contratos non acaden nin o salario mínimo interprofesional, fomentando a contratación por horas e legalizando a escravitude na formación, nas horas extras e nas condicións de despedimento. Persoalmente e por motivos profesionais coñezo unha chea de mozos e mozas que traballan sen contrato de ningún tipo, ou ben fan 45 horas durante meses a cambio do salario de media xornada, ou están en prácticas e pola puta cara, por suposto moito máis formados e produtivos que ningún outro grupo de idade. A explicación que se lles dá é que naceron en mala época, que o primeiro é o primeiro e, como eles non negocian, os que negocian por eles antepoñen aos que xa están. Esta crise merdeira debía ternos convencido de que cando un cre zafar a base de foder a outros, só atrasa a súa condena. Pensan os votantes do sindicato amarelo de Citroën que cortando pola mocidade se van salvar eles? O que conseguen é ir desbrozando o terreo para que avancen as gadañas. Por outra banda, a quen beneficia que a xente nova teña que seguir vivindo coa familia ata os trinta ou corenta anos? Benefícialle á dirección de Citroën que non poidan mercar nin un coche dos que eles fabrican porque apenas xuntan para comida e roupa e enriba o día seguinte poden quedar sen traballo? Xa non falemos de mercar unha casa ou de ter fillos. Por todo isto é polo que a urxencia máis inaprazábel na nosa sociedade é a de que tomen o control as xeracións máis novas, porque os vellos van toleralo todo mentres zafen eles Por todo isto é polo que a urxencia máis inaprazábel na nosa sociedade é a de que tomen o control as xeracións máis novas, porque os vellos van toleralo todo mentres zafen eles, ademais de estaren acovardados polo que posúen e polo que teñen que perder. A mesquindade e a insolidariedade colonizaron o corpo social ata a cerna e ese mal xa ten pouca cura. É imprescindíbel que a mocidade os arrombe, ou nos arrombe, e tome o control, porque vai ser máis forte e máis libre para esixir, porque desde o control eles non van aturar seren sacrificados coma peóns mentres os reis do mambo se enrocan no seu castelo, non van aturar que se lles venda un futuro de subsistencia, humillación e escravitude e, por enriba de todo, porque o van facer infinitamente mellor.
NOS_45151
O número de casos activos mantense por baixo dos 6.000 cunha taxa de positividade do 6,7%
O número de persoas hospitalizadas na Galiza con Covid-19 experimentou unha leve repunta até se situar en 375, tres máis que 24 horas antes, período no que se detectaron 329 casos positivos, case un cento máis que na xornada anterior e cunha taxa de positividade nas probas PCR do 6,7%. Así figura na actualización das cifras da pandemia da Consellería de Sanidade con datos recoller até as 18:00 horas da terza feira. Nese momento había 375 hospitalizados, 51 deles en UCI (un máis) e os 324 restantes en unidades convencionais. De novo, a área sanitaria de Vigo foi a que máis contaxios novos rexistrou, un total de 75, 21 máis que o día anterior. Baixan en Santiago até o 50 -catro menos-, mentres soben no resto: A Coruña, 45 -19 máis-; Pontevedra, 43 -dous máis-; Ferrol, 51 -35-; Lugo, 31 -15 máis-; e en Ourense, 34 -14 máis-. O número de PCR realizadas en 24 aumentaron en 1.041 até un total de 6.659 No que respecta aos casos activos en toda Galiza -é dicir, a cifra de persoas diagnosticadas da enfermidade-, mantense a súa tendencia á baixa e hoxe conta con 5.927 pacientes, 69 menos que 24 horas antes. Deste modo, rexístranse descensos en todas as áreas agás en Ferrol, na que aumentan até os 596 -44 máis-, e en Ourense, onde non hai cambios (377). A cifra de mortos que deixa até agora a pandemia na Galiza continúa en aumento e ascende xa a 1.281 falecidos após a confirmación das autoridades sanitarias de 8 novas vítimas, catro delas relacionadas con xeriátricos.
NOS_36772
Mortiña leva um tempo entre nós, o qual tem sentido se sabemos que é uma zumbi. Leva tempo entre nós não só por não-viva, mas porque em realidade esta é a terceira entrega das suas aventuras.
Mortiña vive em Vila Decandente com uma gente bem estranha: o tio-avô Funesto, velho só cabeça, o avô Féretro, pantasma luminiscente e dorminhona, a tia Defuntinha, outra zumbi habelenciosa nas porcalhadas culinárias, e Tristeiro, o cadelo inseparável. Mortiña. O amigo pantasma / Barbara Cantini / Tradução de Rosa. Gómez Pato e Manuel González / Hércules Edicións / 56 páxinas / 13 euros Nesta aventura a menina zumbi conhece um menino pantasma, luminiscente também, com um problema gravíssimo: está a esvaecer-se e corre perigo de desaparecer. A razão, simples, já nem o seu nome lembra, porque ninguém no mundo o recorda. Mortiña toma cartas no assunto e consegue resolver após alguma que outra aventura. Adoramos vê-la, para uma expedição noturna, atirar-se da janela aos cachos: primeiro uma perna, depois outra, a cabeça no fim… Essa é a delícia da menina zumbi. As ilustrações são complemento imprescindível do texto, irmãs siamesas, e sem elas boa parte dele poderia parecer cenas de um filme gore pouco acaídas para as primeiras leitoras. Porém, os desenhos da autora acompanham com humor o que poderia parecer terrorífico. Vemos cair a cabeça da rapariga e só podemos sorrir, sabedoras de que as zumbis podem recuperar membros amputados sempre que quiserem. Os desenhos têm, ademais, história própria, dando vida a personagens não nomeadas no texto, como o ratinho Porcallán, cuja aventura paralela podemos seguir em cada página. Isto faz da de Mortiña uma leitura ativa, que nos pretende atentas, para melhor atendermos aos pormenores que fogem entre as linhas, entre as cores. Afinal, entre caveiras, corvos pretos e aranheiras nojentas, o amigo pantasma faz que podamos aproveitar a leitura para tratar com as crianças a questão da morte. O menino luminiscente só consegue continuar a brilhar se alguém se recorda dele. E se não consegue, será só baleiro escuro no nada. Fora céus e infernos. Não por casualidade, as ilustrações rebordam fotografias velhas de pessoas (e não pessoas) que já não estão com Mortiña, mas que ela sim lembra: a mãe, a curmã Rosa, a avó Nefasta; mesmo Vispo, o pai do Tristeiro. Fazer memória de quem já não é e a melhor maneira de que as pantasmas luminiscentes, benéficas elas, continuem entre nós. Não é gratuito que a solução de Mortiña seja um relicário. Para não sermos zumbis sem cérebro, lembremos.
PRAZA_4753
CUT, CGT, SLG, STEG e outros sindicatos crean a Plataforma Galega en apoio da mobilización que xuntará en Madrid columnas cidadás de diferentes puntos do Estado e fan unha convocatoria aberta o vindeiro martes 11 para unir máis colectivos á protesta.
Galicia achegará unha das Marchas da Dignidade que desde varios puntos do Estado confluirán en Madrid o vindeiro 22 de marzo en protesta "polas políticas antiobreiras da UE, da troika e do Goberno español". Nunha xuntanza celebrada o pasado mércores en Compostela, os sindicatos CUT, CGT, CNG, SF-IN, S. Elevación, SLG e STEG acordaron pór en marcha a Plataforma Galega de apoio a esta iniciativa e que ten como obxectivo organizar as protestas que sairán desde o país para unirse á protesta. CUT, CGT, SLG, STEG e outros sindicatos acordaron pór ne marcha a Plataforma Galega en apoio ás Marchas da Dignidade Así, a plataforma vén de facer unha convocatoria aberta para o vindeiro martes 11 no Centro Social Gentalha do Pichel de Santiago e na que chama a unirse a "todos os colectivos sociais, asociacións, plataformas de afectados, organizacións políticas, grupos veciñais, intelectuais, artistas e todo tecido dos movementos sociais de Galicia preocupados pola conxuntura que estamos a sufrir como cidadáns e como país". Galicia unirase así ás columnas cidadás que se xuntarán en Madrid para dicir "basta" ás políticas do Goberno e da troika Os sindicatos piden así a unión a esta Plataforma Galega para unirse tamén ás Marchas da Dignidade que "están a aglutinar a maioría do movemento sindical alternativo, as organizacións políticas anticapitalistas e os movementos sociais ao longo do Estado español". Diversos colectivos que se organizarán en "diversas columnas de cidadáns dos distintos territorios e nacións do Estado para dicir basta xa á política do Executivo e da troika". Un chamamento para apoiar unha iniciativa que cualifican de "galega, solidaria e internacionalista", que ten un mail de contacto ([email protected]) e que xa contaba con algunha iniciativa desde o país na blogoesfera e nas redes sociais. "Pan, traballo e teito para todos e todas" Todas as marchas que confluirán en Madrid, e que chegan de todas as autonomías do Estado, fano uníndose a un manifesto común no que advirten dunha actual situación "extremadamente difícil, límite, de emerxencia social e que nos convoca a dar unha resposta colectiva e masiva da clase traballadora á cidadanía e aos pobos". Resumen a proclama nun lema: "Non ao pago da débeda, nin un recorte máis. Fóra so gobernos da troika. Pan, traballo e teito para todos e todas". "Non ao pago da débeda, nin un recorte máis. Fóra so gobernos da troika. Pan, traballo e teito para todos e todas" Lembran que millóns de traballadores están sen emprego, unha situación "humillante" e que está a estragar "o talento colectivo dunha sociedade e hipotecando o seu futuro". Ademais, advirten dos centos de miles de familias que perderon a súa casa, un acto "inhumano" que "alimenta a voracidade insaciable duns banqueiros en escrúpulos alimentados á vez por Estados servos da troika". Do mesmo xeito, os convocantes das Marchas da Dignidade denuncian que a patronal "aproveita o drama do paro masivo" para "rebaixar os salarios e as condicións de traballo" dos empregados que son "explotados polo capital". "É hora de repartir o traballo e a riqueza, e que as persoas traballadoras poidan sentirse donas do seu futuro", di un manifesto que recorda que a mocidade "non ten posibilidade de forxar un proxecto de vida digno" e ten que saír á emigración. "É hora de repartir o traballo e a riqueza, e que as persoas traballadoras poidan sentirse donas do seu futuro" Ademais, denuncian tamén "un sistema patriarcal que rouba o dereito a decidir sobre os nosos corpos", outra das "políticas executadas polo goberno do PP ao ditado da troka", que "rouban dereitos e empobrecen a maioría social" e "privatizan o rendíbel mentres recortan en saúde, ensino, dependencia, auga, enerxía ou servizos sociais". "Están aproveitando a crise para recortar dereitos. Estas políticas de recortes están a causar sufrimento, pobreza, fame e incluso mortes, e todo para que a banca e os poderes económicos sigan tendo grandes beneficios a expensas das nosas vidas", asegura un texto que alerta sobre "o roubo da liberdade" e sobre "a descomposición do réxime xurdido da Constitución de 1978". "É importante artellar unha mobilización unitaria, masiva e contundente contra as políticas que atentan contra os dereitos humanos e a xustiza social" Por todo, as Marchas da Dignidade chaman aos pobos "a que exerzan a súa soberanía, alzando a súa voz de abaixo arriba, democraticamente, para construír un proceso constituínte que garanta realmente as liberdades democráticas, o dereito a decidir e os dereitos fundamentais das persoas". "É importante artellar unha mobilización unitaria, masiva e contundente contra as políticas que atentan contra os dereitos humanos e a xustiza social", lembran, polo que instan a manifestarse "contra o pago da débeda, polo emprego digno, pola renda básica, polos dereitos sociais, polas liberdades democráticas, contra os recortes, a represión e a corrupción, por unha sociedade de homes e mulleres libres, unha mobilización contra un sistema, un réxime e uns gobernos que nos agreden e non nos representan". Por último, exixen "que se vaia o goberno do PP e, tamén, todos os gobernos que recortan dereitos sociais básicos, todos os gobernos que colaboran coas políticas da troika". "Por iso, facemos un chamamento a encher de dignidade e rebeldía a capital do Estado español, Madrid, o 22 de marzo. Ese día chegaremos columnas de todas as latitudes da Península a Madrid e convocamos os madrileños e madrileñas a saíren á rúa e incorporarse a esa gran mobilización da maioría social", remata. Blog galego das Marchas da Dignidade
NOS_31348
A marcha deste sábado, 5 de xuño, pide a paralización dos proxectos eólicos en tramitación.
Máis de 130 colectivos, plataformas e entidades galegas de todo tipo (ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais, sindicais, políticas...) apoian a mobilización deste sábado 5 en Compostela " contra a invasión eólica de Galiza". Así pois, ás 22 entidades convocantes da marcha, sumáronse na última semana máis dun cento de organizacións de diversa índole que subscriben o manifesto "Eólica, Así Non" e que amosan a súa vontade de participar na manifestación do 5 de xuño, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente. Estas organizacións únense ao chamado á participación á sociedade galega nunha grande mobilización social "que esixa dun xeito contundente e masivo a paralización urxente de preto de 200 proxectos eólicos que arestora están en tramitación nas administracións da Xunta e do Estado e que pretender asentarse dun xeito caótico e irracional no noso territorio". O manifesto "Eólica, Así Non" que subscriben todas estas entidades advirte das graves deficiencias que presenta o actual modelo de desenvolvemento eólico de Galiza e que considera "desfasado, colonial, inxusto e insostíbel. Insta a derrogar o actual Plan sectorial eólico por carecer de ordenamento e avaliación ambiental e favorecer a especulación e o negocio do oligopolio enerxético por riba do ben común, dos dereitos das persoas, do futuro do rural, ou da preservación da paisaxe, da contorna natural e do patrimonio cultural". Segundo as entidades adheridas ao manifesto, a transición enerxética está sendo usada como escusa polas grandes multinacionais da enerxía para facer o seu particular "lavado verde" e destruír de novo o territorio galego "coa conivencia das administracións públicas e a regalía dos fondos europeos". O escrito chama a atención sobre o papel de Galiza como territorio xa especialmente prolífico na produción de enerxías renovábeis, que xa supera o consumo actual e exporta o 30% da electricidade xerada. As máis de 130 organizacións que secundan esta Gran Marcha "contra a invasión eólica tamén reclaman á Xunta a derrogación da Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais (2017) e a Lei de simplificación administrativa (2021) ("Leis de depredación") que rebaixan as garantías ambientais e restrinxen os dereitos dos cidadáns". Porén, como reza o manifesto "Eólica, Así Non" estas entidades apoian as enerxías renovábeis, mais avogan por un cambio de modelo de desenvolvemento eólico cara a un sistema descentralizado, baseado na soberanía enerxética, no fomento do aforro, da eficiencia enerxética e do autoconsumo e na xestión pública do recurso ao servizo da sociedade galega. Dado o amplo número de entidades convocantes e adheridas que participarán nesta gran mobilización social, prevese unha elevada afluencia de manifestantes este sábado en Santiago de Compostela. A marcha sairá ás 12 horas desde a Alameda e seguirá o seguinte percorrido: Rúa da Senra, Praza de Galiza, Rúa Doutor Teixeiro, Rúa República do Salvador, Rúa Hórreo, Rúa das Orfas, Cantón do Toural, Rúa do Vilar, Rúa Xelmírez, Rúa de Fonseca, Rúa do Franco, ata chegar á Praza do Obradoiro.
NOS_30397
Após recalar en Escocia, Gales, Frisia, Irlanda e Cornualles o Festival Tosta chega a Galiza cun amplo programa de concertos e actividades os días 9, 10 e 11 deste mes, coincidindo coas rianxeiras Festas da Guadalupe.
TOSTA é un proxecto de colaboración entre axentes culturais de comunidades lingüísticas minorizadas do eixo Atlántico de Europa. Combina a promoción da creación artística, a celebración da diversidade lingüística e cultural, a xestión equilibrada das linguas nun proxecto internacional e unha estratexia comunicativa innovadora. Guadi Galego, De Vacas, Xurxo Souto, Quico Cadaval, Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel, Magín Blanco ou os vascos Oreka TX son algunhas das propostas do programa do Festival Tosta que terá lugar os días 9, 10 e 11 de setembro en Rianxo nun encontro cultural que conta coa Mesa pola Normalización Lingüística e a área de Cultura da Deputación da Coruña como entidades galegas promotoras. O programa incluirá a participación da Banda Tosta que está formada por integrantes de todas as culturas participantes entre as que se atopa a galega Mónica de Nut. Completa o programa a presentación dos traballos creativos resultado dos intercambios culturais da artista galesa Luned Rhys na súa residencia artística en Galiza e da galega Belén Tajes na súa estadía en Irlanda. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, mostrou a súa satisfacción por participar nun proxecto que ten como obxectivo "visibilizar a diversidade lingüística e cultural". "Para plurilingües nós", afirmou a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, na presentación dun festival que responde, entre outras cousas, á "necesidade de mirar o moito e bo que se está a facer en linguas minorizadas". Na presentación participou tamén o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños que agradeceu á organización que pensara en Rianxo para poñer fin ao periplo do festival itinerante nunhas datas de especial relevancia para a vila mariñeira xa que coincide coa celebración das Festas da Guadalupe. "Para nós é unha honra sermos a sede deste festival ao que agardamos darlle a acollida que se merece", sinalou. A música Guadi Galego anunciou que o seu concerto de Rianxo será tamén o peche da xira do disco "Lúas de outubro e agosto" e mostrou a súa satisfacción por participar nun festival que pon en relevo a potencialidade das linguas minorizadas. Belén Tajes dará a coñecer o cancioneiro de cantigas do mar de Irlanda e Galiza que foi o proxecto co que conseguiu a residencia artística dentro do programa Tosta. Programa O festival iniciarase o venres día 9 de setembro cun programa que, ademais dun obradoiro de motivos mariñeiros, incluirá a participación de Xurxo Souto, Quico Cadaval e a Banda Tosta, coa galega Mónica de Nut. Para o sábado día 10 está prevista a intervención de Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel ademais dos vascos Oreka TX e un obradoiro infantil coa artista Luned Rhys Parri. Magín Blanco, Belén Tajes, Guadi Galego e De Vacas son algunhas das propostas par ao domingo día 11, xornada final dun festival itinerante que percorre Europa desde o mes de abril e que terra o seu colofón en Euskadi dos días 23 ao 26 de setembro, na conmemoración final do Día Europeo das Linguas.
NOS_45582
A Coordenadora de Traballador@s de Normalización Lingüística considera que "o papel desenvolvido polas deputacións no impulso do proceso de normalización lingüística deixa bastante que desexar"
Que as deputacións provinciais sexan parte activa no proceso de normalización lingüística, asumindo nesta eido tanto a "súa obriga legal" como "responsabilidade social". A CTNL (Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística ) propón ás entidades provinciais que asuman a súa función "de cooperar cos concellos para que estes poidan contar con servizos de normalización lingüística co obxectivo de incrementar o uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos sociais dos municipios e comarcas". Para a Coordenadora as administracións locais xogan un papel fundamental para a normalización do galego, "principalmente por seren as administracións máis próximas á cidadanía, coas que a xente ten unha maior relación e contacto frecuente, e as que desenvolven accións e xestionan os servizos máis próximos á veciñanza". Por iso, a CTNL realiza ás deputacións unha proposta con tres eixos básicos: Que as deputacións creen (no caso das de Lugo, Ourense e Pontevedra) ou melloren e incrementen economicamente (no caso da da Coruña) unha liña de cooperación económica cos concellos da provincia, para que estes poidan contar con servizos de normalización lingüística co obxectivo de incrementar o uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos sociais dos municipios e comarcas. Outro punto é que as deputacións impulsen a planificación e desenvolvemento de accións normalizadoras desde os diversos servizos de normalización lingüística municipais ou comarcais, para que así cheguen ao maior número de ámbitos, sectores e cidadáns e cidadás posible, e de xeito planificado e coordinado. E como terceiro eixo da proposta: que elaboren, aproben e apliquen un plan de actuación ou regulamento transversal a través do que se establezan criterios lingüísticos e medidas transversais en todas as súas accións e áreas de actuación, de xeito que con todas elas se procure o incremento social do uso e prestixio do galego.
NOS_54622
O xuíz instrutor do caso Nóos imputou a irmá do rei español por dous delitos fiscais en grao de cooperadora necesaria.
Cristina de Borbón, irmá do rei español Felipe VI, sentará no banco de acusad@s. O xuíz instrutor do caso Nóos, no que tamén se atopa imputado o seu compañeiro, Iñaki Urdargarin, acúsaa de dous delitos fiscais en grao de cooperadora necesaria. É a primeira ocasión na historia en que unha persoa da familia do monarca será xulgada. Porén, a decisión do xuíz Castro aínda pode ser recurrida apelando á 'doutrina Botín' isto é que a imputación decaia ao existir unicamente unha acusación popular. Aliás, no prazo dun mes deberá presentar o escrito de defensa xunto coas outras 16 persoas imputadas. Desde a Casa Real aseguran respectar a independencia do poder xudicial. Cristina de Borbón, que conta co título de Infanta, tentou regatear a imputación pagando 587 mil euros, unha contía que abonou para devolver o diñeiro presuntamente obtido de maneira irregular. Porén, este feito no eximiu a irmá do rei español dos dous delitos fiscais que a sentarán no banquiño.
PRAZA_9345
A Xunta matiza que os disparos de arqueiros son medidas "complementarias" á colocación de gaiolas "en lugar en lugares escollidos coa máxima discreción" para evitar "a presenza de curiosos que poden escorrentar" os xabaríns, moi presentes nos últimos tempos na área urbana lucense
Durante o pasado 2018 nas estradas do termo municipal de Lugo rexistráronse 187 accidentes "causados por especies de fauna cinexética, na súa maioría xabaríns", un 30% máis que no ano previo. Son datos dun estudo elaborado polo Concello lucense que recolle unha das consecuencias máis palpables dun fenómeno que dende hai tempo unha constante nas conversas da veciñanza: a presenza de xabaríns polas rúas de Lugo, en ocasións moi céntricas, aumentou moi notablemente e o consistorio pide a axuda da Xunta. O Goberno galego asegura manexar xa un plan que inclúe catro arqueiros para abater os porcos bravos.Un estudo elaborado polo Concello conclúe que o pasado ano se rexistraron na cidade 187 accidentes de tráfico ligados aos xabaríns, un 30% máis que no ano previoA alcaldesa da cidade, Lara Méndez, presentaba o pasado luns este estudo en vésperas de sentar á mesma mesa que a Xunta para procurar solucións. "Fixémolo por responsabilidade" e "grazas a este informe a Xunta pode determinar onde están os xabaríns, os sitios de pasada e onde dormen", polo que "xa non ten escusa para o seu deixamento de funcións e non concretar as medidas a adoptar ante un problema que agora afecta á zona urbana de Lugo" pero que, advirte, "durante anos vén afectando á zona rural" do concello "sen que o Goberno galego actuase".Esa xuntanza entre a Xunta e o Concello, con representantes da Garda Civil, sindicatos agrarios e membros de tecores de caza celebruse o pasado martes. Co pano de fondo da tensión política que marca as relacións co goberno local do delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, a Xunta non aforrou críticas á xestión do Concello -ao que acusa de non rozar leiras, por exemplo-, pero tamén anunciou varias accións para "as próximas semanas". Entre elas, os arqueiros.Trátase, segundo a Xunta, dunha "medida complementaria" dentro do plan e consiste en que catro "arqueiros profesionais" se encarguen "de realizar gardas nocturnas". Ao localizaren os xabaríns, segundo o Goberno galego, os arqueiros acordoarán a zona co apoio das forzas de seguridade e tentarán abatelos. "Este método de caza, moito máis seguro e rápido, evita o emprego de armas de fogo durante a noite e que os propios xabaríns se dispersen cos disparos", di a Xunta. A Xunta matiza que os disparos de arqueiros son medidas "complementarias" á colocación de gaiolas "en lugar en lugares escollidos coa máxima discreción" para evitar "a presenza de curiosos que poden escorrentar" os xabaríns, moi presentes nos últimos tempos na área urbana lucenseDiante do balbordo xerado pola medida a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, matizaba este mércores a preguntas da prensa que os arqueiros non actuarán no centro da cidade e que as batidas se realizarán "con toda a seguridade" porque os arqueiros son "profesionais". Estas reflexións xa suscitaron reaccións como a do colectivo animalista Libera!, que considera a caza de xabaríns con arco como "unha ocorrencia de bar". "Non é a primeira vez, xa o fixeron en Fene en 2014 e e en Cambre en 2016" e acabou en "ridículo", aseguran.Medio Ambiente resalta, así e todo, que os arqueiros "complementan" a colocación de gaiolas "en lugares de paso" dos xabarín "escollidos coa máxima discreción". "De coñecerse as localizacións -razoa o delegado territorial- a presenza de curiosos pode escorrentar" os animais. Alén de reclamar medidas urxentes, o Concello de Lugo reitera a necesidade de que a Xunta se comprometa coa "correcta xestión do territorio e da fauna cinexética, que son as súas competencias exclusivas", lembra a rexedora. Agora, ademais, conta co estudo sobre as zonas de concentración de accidentes, que sinala áreas con especial incidencia como a N-640 á altura de Teixeiro -estrada de Meira-, a estrada cara á Fonsagrada, os primeiros treitos da A-54 cara a Santiago ou a contorna da N-VI á altura do Pazo dos Deportes.
NOS_3968
Xavier Vence empraza a Feijóo a asumir medidas reais contra esa lacra, como cesar os altos cargos do PP imputados ou actuar contra Baltar. A montaña de corrupción non se pode tapar con fume.
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, cre que Núñez Feijóo vai converter o debate sobre corrupción que esta terza feira vai decorrer no parlamento para "vender propaganda". Vence teme que o presidente da Xunta no canto de "render contas sobre todos os casos de corrupción que afectan ao PP" vai optar por dar "un mitin" e representar no Parlamento "unha bufonada" sen permitir ña oposición "facer propostas". O portavoz do Bloque propón a Feijóo tres medidas concretas para adoptar de inmediato e amosar así a vontade real e loitar contra a corrupción: cesar a todos os cargos do PP imputados en casos graves de corrupción, cumprir a Lei de Transparencia coa difusión de todos os contratos, e citou como exemplo o asinado con Povisa, e de paso acabar cos contratos sen publicidade. Longa Lista O Bloque demanda de Feijóo que empece por explicar os casos de corrupción "que lle afectan, -casos Pokemon, Gürtel, Zeta, Orquesta, e os propios papeis de Bárcenas que recollen o suposto financiamento do PP de Galiza a través de empresas como Iberdrola ou Copasa". "Mentres non sexa así, Feijóo está desacreditado para facer propostas e menos utilizando o Parlamento galego a modo de estaribel para un mitin do PP, e negando as outras forzas políticas a oportunidade de facer propostas reais para rexenerar a vida pública deste país", concluíu Vence.
NOS_30991
A previsión da empresa era que o 'stock' non acabase até dentro de seis meses.
Myrkl, un medicamento "anti-resaca" que saíu á venda esta terza feira no Reino Unido, está xa esgotado nas primeiras 24 horas no mercado. Ese dato chama máis a atención despois de escoitar os empresarios da compañía produtora, que tamén recibe o nome de Myrkl, recoñecer que as primeiras estimacións sinalaban que tardaría seis meses en esgotarse. O castiñeiro galego pide paso como alternativa na fabricación de barricas Neste sentido, o CEO da empresa, Hakan Magnusson, asegurou que o cadro de persoal está "a traballar o máis rápido posíbel para garantir que as persoas poidan volver realizar pedidos" na páxina web de Myrkl, xa que este medicamento non está á venda en espazos físicos. Foi tal o volume de pedidos recibidos que a empresa tivo que limitar a número de caixas que se poden comprar. Nun principio ese número era ilimitado, pero agora cada persoa compradora só pode adquirir unha caixa. Funcionamento da pastilla Os comprimidos de Myrkl deben ser inxeridos cando menos dúas horas antes de tomar o primeiro vaso de bebida alcólica. A pílula contén unha serie de bacterias que descompón o alcol dentro do organismo e evita os procesos químicos que provocan os síntomas da resaca. De viños para ficarmos sen palabras Porén, este medicamento non evita por completo estes sinais, xa que na resaca están implicados outros factores que non teñen relación co fígado, como a deshidratación ou os baixos niveis de azucre en sangue. Segundo as estimacións da propia empresa, as persoas que bebían dous vasos de viño e tomaban antes dous comprimidos presentaban un nivel de alcol 70% menor ao das persoas que non inxerían o medicamento.
PRAZA_20772
Puy di "comprender" que a "exhibición" de Meirás pola familia do ditador "pode ofender as vítimas do franquismo"; "non somos franquistas", reiterou. En Marea, PSdeG e BNG rétano a traducir as súas palabras en feitos concretos da Xunta para promover que o pazo deixe de ser propiedade dos Franco
HEMEROTECA | O PP rexeita recuperar o pazo de Meirás e filosofa sobre os dereitos dos Franco O voceiro parlamentario do PPdeG volve matizar a liña oficial do seu partido nun asunto de transcendencia mediática e política. Poucos meses despois de que o secretario xeral da formación, Miguel Tellado, o reprendese publicamente por desmarcarse da polémica ligada ao cartel do Entroido da Coruña -a Asociación de Viúvas de Lugo denunciara o anuncio no xulgado, que arquivou o caso-, Pedro Puy vai alén da postura do partido no que milita a respecto da propiedade do Pazo de Meirás. Mentres a familia de Francisco Franco goza das súas vacacións no edificio xusto despois de lle encomendar a xestión das visitas á fundación dedicada a honrar o ditador, Puy di ver "razoable" que o histórico recinto retorne a mans públicas, se ben evita comprometer accións concretas da Xunta ao respecto. A Deputación Permanente do Parlamento -órgano que substitúe o pleno en períodos inhábiles- xuntouse este martes a petición de En Marea, PSdeG e BNG para reclamar a convocatoria dunha sesión plenaria extraordinaria que abordase, entre outros asuntos, a petición de comparecencia do conselleiro de Cultura para explicar "que vai facer a Xunta" para "evitar" que as visitas a Meirás tornen, como anunciou a Fundación Francisco Franco, nunha sesión de "apoloxía da ditadura" nun espazo catalogado como Ben de Interese Cultural. A petición, como era previsible, non saíu adiante, pero a súa formulación si deu lugar a un debate no que Puy explicitou este desmarque parcial. Cando non transcorreron nin catro meses dende que o propio Grupo Popular rexeitou cuestionar o réxime de propiedade do pazo durante o debate dunha iniciativa de En Marea que foi rexeitada, Puy admite non só que "debe evitarse a toda costa" a anunciada apoloxía do réxime franquista, senón que afimra que "o razoable sería voltalo ao público", toda vez que malia ser legalmente "propiedade dos herdeiros do ditador" ten "un vicio na súa adquisición", outorgada "en plena guerra civil" e mantida grazas á "férrea ditadura". "Comprendemos" que esta "exhibición" poida "ofender a moitas vítimas do franquismo" e "estamos de acordo con que debe evitarse a toda costa" a prol da "convivencia democrática", procurando o retorno por vías "legais" se é que a "propia familia" non se "decata" de que debe devolvelo, afirmou Puy di "comprender" que a "exhibición" de Meirás pola familia do ditador "pode ofender as vítimas do franquismo"; "non somos franquistas", reiterou Así e todo, Puy non indica que a súa posición se vaia traducir nalgunha iniciativa política do Goberno de Alberto Núñez Feijóo. "A Xunta está a cumprir a lei" e non vai "tolerar que se incumpra a lei de patrimonio" en canto ao réxime de visitas -algo que os Franco están a facer de xeito reiterado- nin que "se faga apoloxía do franquismo", a cal xa foi anunciada pola propia Fundación. "No momento en que alguén denuncie" esa apoloxía, asegura, "haberá denuncia á Fiscalía". Mentres, lamenta, "fálase moito do Pazo de Meirás" porque a esquerda está inmersa "nun intento claro de vencellar" o PP co franquismo, malia ser "un partido democrático oposto a toda forma de ditadura" e mais de "toda forma de dexeneración" da democracia "en Polonia, Venezuela ou Cataluña", agregou. "Nós non defendemos a ditadura franquista, non somos franquistas", reiterou. En Marea, PSdeG e BNG retan a Puy a traducir as súas palabras en feitos concretos da Xunta para promover que Meirás deixe de ser propiedade dos Franco No plano do concreto Pedro Puy ve "interesante" a "proposta" lanzada polo voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen insta a abordar xa a reversión ao público de Meirás a través dunha "comisión" integrada pola Xunta, a Deputación da Coruña e o Concello de Sada para "analizar o expediente orixinal" da entrega do Pazo a Franco que deixe sen efecto aquel "acto ilexítimo" e poña a propiedade nas mans "do pobo de Galicia". O PP, subliñou dende En Marea Antón Sánchez, debera sumarse á "fronte democrática" para recuperar Meirás e, ao tempo, para "cambiar a legalidade que permite facer" a apoloxía da ditadura que exerce a Fundación. Neste punto dende o BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, reta a Puy a traducir as súas verbas en feitos mediante o apoio á iniciativa pola devolución do Pazo que o propio Bloque se dispón a tramitar na Cámara. O contrario, advirte, será seguir a permitir con "toda impunidade" as actividades e incumprimentos dos herdeiros do xeneral golpista, que Pontón demostrou na sesión marcando co seu teléfono o número para reservar visitas e amosando, mediante a megafonía da Cámara, que esa liña permanece desactivada.