ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_32554 | Denuncian recortes de máis de 3 millóns de euros, as altas listas de espera e a redución de persoal. "Están a xogar coa saúde da poboación" | Un manifesto contra os recortes e marxinación da sanidade pública en Vigo reuniu as sinaturas de máis de 350 facultativos do Chuvi. Un escrito no que, sen máscaras nin ambaxes, protestouse pola "marxinación" da área sanitaria viguesa e polas consecuencias que a política de recortes está a causar. Así, sinalan que as listas de espera son intolerábeis, con máis de 21.000 pacientes; denuncian a redución de persoal a través de xubilacións forzosas. "O xerente quere aforrar tres millóns de euros só en nóminas". Tamén indican que existe unha derivación de enfermos de Ciruxía Cardíaca e fecundación in vitro a Santiago, polos recortes no novo hospital e pola redución de persoal. Todos eles feitos con consecuencias directas sobre a saúde |
NOS_7927 | A pintura de Berta Cáccamo transitou os vieiros da abstracción. Pero unha abstracción emotiva, acolledora, talvez no esteiro da seu admirado Joan Miró. Vencellada ao grupo Atlántica que renovou a plástica galega na década dos 80 do pasado século, Berta Cáccamo morría hai agora un ano con apenas 55 de idade. O CGAC réndelle homenaxe esta sexta feira, 10 de maio. | O acto, sucintamente titulado In memoriam, será ás sete da tarde no auditorio do museo compostelán. Intervirá o seu director, Santiago Olmo, canda o poeta e irmán da artista Xosé María Álvarez Cáccamo, que lerá o seu poema longo Berta, acabado de publicar en Chan da Pólvora. Tamén estarán Carlota Álvarez Basso, Juan Martínez de la Colina, Juan de Nieves, Miquel Mont e Anne-Marie Cornu. Esta última presentará o filme Un recorrido con Berta, gravado entre 2017 e 2018, co que concluirá o acto do Centro Galego das Artes Contemporáneas en lembranza da artista nada en Vigo cuxa linguaxe a crítica Estrella de Diego definiu como "posminimal, herdeiro dos deslizamentos da pintura de Morris Louis ou das manchas de cor de Frankentahler". |
NOS_18713 | As dúas organizacións acordan en senllas asembleas nacionais impulsar un proceso de debate cara ao xurdimento dunha nova organización estudantil "unitaria, aberta, plural e democrática". | Na pasada fin de semana as organizacións estudantís nacionalistas Liga Estudantil Galega e Comités desenvolveron senllos encontros nacionais nos que acordaron pór ambas as dúas formacións ao dispor dun proceso que teña como obxectivo a construción dun novo axente unitario, aberto, plural e democrático ao servizo do movemento estudantil nacionalista. Neste senso, fontes consultadas por Sermos Galiza aseguran que se trata dun chanzo máis após o traballo conxunto desenvolvido nos últimos anos. Polo de agora non existe unha folla de rota nen prazos prefixados mais desde ambas as dúas organizacións salientan que debe tratarse dun proceso "aberto", "plural" e "de base". Desde esta perspectiva e embora partir a aposta desde a Liga e os Comités, non fechan as portas aos demais axentes nen tampouco focan o proceso unicamente na Universdade. "Non podemos marxinar un sector tan amplo do estudantado galego" como o ensino medio, sinalan. Sen que exista até o de agora unha folla de rota ambas as dúas organizacións salientan que debe tratarse dun proceso "aberto", "plural" e "de base" Após as asembleas nacionais, terán que ser os órgaos de dirección recentemente elixidos os que fixen o ritmo e deseñen os pasos a seguir. Destarte, quer a Liga quer os Comités aseguran que "as présas non son boas" en procesos coma este mais "tampouco cómpre demorar moito" á fin de que "xermole con forza" unha organización "plural", "democrática", "aberta" e "eficaz". Ambas as dúas organizacións aseguran que é o actual contexto no que se atopa o ensino público galego o que propiciou este novo paso. Neste senso, sitúan a "ofensiva españolizadora e privatizadora" como un dos catalizadores dunha aposta na que ambas as dúas formacións cavilaban desde hai tempo. A respeito dos principios que rexerán o proceso ningunha das dúas organizacións estabelece prioridades e amósanse abertas ao debate ao tempo que sinalan, "hai cousas que mudar e outras que deben continuar porque funcionan". "O importante non é un modelo ou outro senón unha organización eficaz". |
NOS_8450 | A Coruña acolleu a tradicional homenaxe e ofrenda floral a Curros Enríquez que o BNG e Galiza Nova organizan desde hai 25 anos nos xardíns de Méndez Núñez, ao pé do monumento á súa memoria. Como todos os anos, o acto realízase nas xornadas previas ao Día da Patria Galega para popularizar esta data e a manifestación nacional que o Bloque convoca o 25 de xullo en Compostela. | Aos pés do monumento a Manuel Curros Enríquez situado nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña realizouse a tradicional homenaxe e ofrenda floral na súa honra que o Bloque Nacionalista Galego e a súa organización xuvenil, Galiza Nova, organizan conxuntamente desde hai 25 anos. Este acto simboliza o arranque da campaña que polo Día da Patria Galega realiza o BNG na comarca da Coruña, coa pretensión de difundir a convocatoria da manifestación nacional en Compostela do 25 de xullo que organiza a fronte nacionalista. No acto interviron a responsábel comarcal do Bloque, Vitoria Louro, o representantes desta formación na Deputación da Coruña Xurxo Couto e o responsábel comarcal de Galiza Nova Román Blanco. "Somos as nacionalistas quen ano a ano xuntámonos neste lugar da Coruña para coller o legado que Curros deixou na súa obra e para reverter o desamor á Patria". Con estas verbas arrincou Vitoria Louro a XXV edición da homenaxe a Curros Enríquez. A responsábel da formación na comarca sinalou ademais que o nacionalismo é vital para que o país "non perda e non camiñe cara á irrelevancia política que precarizaría aínda máis as galegas e galegos". Nese sentido, afirmou que o BNG "é hoxe unha forza actualizada, moderna, que dá respostas ás demandas e necesidades da Galiza presente" e avogou por dar un "novo impulso en forma de soberanía, traballo, democracia, igualdade, equidade e liberdade" a Galiza. Louro valorou "o proceso de relanzamento do BNG" como un feito "constatábel no que cada día somos máis" e engadiu que a fronte está a sumar moitas persoas ao proxecto nacionalista. "O nacionalismo é un proxecto de futuro, e a mocidade é quen dá ese presente e futuro" sinalou Vitoria Louro no acto. Nese sentido, afirmou a necesidade de que a mocidade participe da vida política e nas decisións "que afectan o presente e que definen o futuro". Galiza Nova apresentou no acto a súa axenda da Semana da Patria Galega na Coruña, coa que continuará coa realización de actos na comarca até o 25 de xullo. Así, colocará diversas carpas informativas nos distintos concellos da zona, realizará un despregamento dunha bandeira de grandes dimensións da Patria Galega e a vindeira terza feira realizará a palestra "Refacer a historia da Galiza a través dos seus mapas" coa participación do historiador Felipe-Senén López, ás 20 horas no local da Asociación Alexandre Bóveda da Coruña.- |
PRAZA_19933 | Varios milleiros de persoas participaron na vintena de manifestacións que este Día da Clase Traballadora percorreron as rúas de Galicia, convocadas por CIG, CCOO e UGT, entre outros sindicatos. Galería de fotos no interior Visións sindicais para outro Primeiro de Maio en Galicia | Varios milleiros de persoas participaron na vintena de manifestacións que este 1º de maio percorreron as rúas de Galicia, convocadas por CIG, CCOO e UGT, entre outros sindicatos. CCOO e UGT marcharon conxuntamente en A Coruña (onde celebraron o seu acto central), Vigo, Ferrol, Santiago, Viveiro, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía e Lugo. A CIG fíxoo en Vigo (como acto central), Pontevedra, A Coruña, Ribeira, Ferrol, Lugo, Burela, Vilagarcía, A Estrada, Cee, Compostela, Cangas e Ourense. Ademais, outras organizacións tamén levaron a cabo mobilizacións: En Compostela manifestáronse CNT, CUT, STEG, SAGAP e Foro Galego de Inmigración. En Ourense foron CNT, CUT, STEG, CGT e ST. En Vigo fixérono CUT, CGT, SF, SE e SXG. En Cangas mobilizouse a CUT. E na Coruña fixérono CUT, STEG, SF e SE. CCOO e UGT Na Coruña, os secretarios xerais de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, e UGT, José Antonio Gómez, denunciaron que "a tímida mellora da situación do emprego" está "ensombrecida" por máis e máis precariedade. "Aqueles persoas que teñen un posto de traballo están a ver día tras día diminuídos os seus ingresos, pois ter un traballo xa non garante ter unha vida digna", dixeron. Sánchez Aguión e Gómez subliñaron que "malia que a economía medra, Galicia segue sen recuperar emprego". "Algo está fallando", advertiron, lembrando que entre o cuarto trimestre de 2007 e o cuarto trimestre de 2016 se perderon en Galicia más de 146.000 ocupados. Con todo, os dirixentes sindicais alertaron dunha realidade "aínda máis preocupante": a situación "límite" de moitas familias galegas a causa do paro de longa duración, que se converteu xa nun elemento estrutural e que está a xerar situacións de pobreza e exclusión social. O paro de longa duración pasou de representar o 27,7 por cento no 2007 ao 58,2 por cento na actualidade. Os dous sindicatos esíxenlle á Xunta que poña enriba da mesa todas as medidas necesarias "para romper o círculo vicioso do desemprego que se instaurou no mercado laboral galego". CCOO e UGT demandan a derrogación das reformas laborais "que instalan a precariedade como norma de contratación e só fomentaron a desigualdade e a perda de dereitos", a posta en marcha dun plan de choque polo emprego con recursos, devolver o equilibrio de forzas na negociación colectiva "para que os sindicatos e empresarios poidan negociar en igualdade de condicións", reformar o sistema de prestacións por desemprego para facer que chegue a todas as persoas en situación de desemprego, un SMI suficiente e estable chegando aos 1.000 euros a finais da lexislatura, unha Lei de igualdade salarial, derrogar a reforma das pensións de 2013 para que as pensións suban por riba do IPC, acometer unha reforma fiscal integral así como loitar contra a fraude fiscal, a posta en marcha dunha prestación de ingresos mínimos, a recuperación progresiva do gasto en sanidade, educación, protección social e axuda á dependencia e, finalmente, un Plan Estratéxico para a Industria. CIG Pola súa banda, a CIG celebrou a súa manifestación central en Vigo, reunindo varios milleiros de persoas. A central nacionalista centrou as súas reivindicacións na recuperación dos dereitos laborais e sociais "roubados coa escusa da crise" e na demanda da derrogación das sucesivas reformas laborais. O sindicato salientou que "nos últimos oito anos os diferentes gobernos do PP e do PSOE atacaron por medio de reformas lexislativas os principais dereitos conquistados pola clase traballadora na súa historia constante de loita". "Amparados na crise tomaron por asalto as nosas pensións, os dereitos laborais, os salarios, reduciron a nosa protección e cobertura sanitaria", engadiron. A central fixo fincapé, igualmente, en que "nestes anos máis de 130.000 galegos/as, principalmente mozos/as, marcharon á emigración buscando traballo", engadindo que "se en lugar de emigrar ficasen aquí o desemprego real superaría o 30%". De igual xeito, sinalou que "o Estado español é o único caso no que o total dos salarios da clase traballadora descendeu nestes últimos seis anos preto dun 11%", afirmando que "mesmo en Portugal, neste mesmo período os soldos subiron un 4,45%, mentres que en Alemaña e Francia o incremento superou o 9%". "As reformas laborais conseguiron o que se propoñían, traballarmos máis e cobrarmos menos; os salarios que perdemos pasaron ás rendas do capital, persoas ricas e grandes empresarios/as, que aumentaron as súas fortunas e beneficios en máis dun 18%", destaca A CIG concluíu subliñando que "é importante que na actualidade o PP non teña a maioría parlamentaria, xa que estas leis que empobrecen e condenan ao sufrimento á clase traballadora poden ser anuladas". |
PRAZA_17576 | ENTREVISTA | Esta semana percorreu Galicia unha Caravana Informativa de Solidariedade con Nicaragua para denunciar a represión que o Goberno de Ortega exerce contra a poboación que protesta nas rúas contra a súa política e que xa provocou 300 mortes. Falamos con Fidel Ernesto Narváez | Nos últimos días percorreu Galicia unha Caravana Informativa de Solidariedade con Nicaragua, reuníndose con representantes dos grupos políticos no Parlamento de Galicia, con entidades sociais e activistas e sendo recibidos polos alcaldes de Santiago de Compostela e A Coruña. Denuncian a situación que se vive no seu país, onde dende hai mes e medio as protestas da cidadanía contra as políticas do Goberno de Daniel Ortega deixaron xa máis de 300 persoas mortas entre a poboación, produto da represión exercida polas autoridades, policía e grupos paramilitares. As protestas comezaron despois do anuncio dunha reforma do Instituto Nicaraguano de Seguridade Social, imposta por decreto polo presidente Ortega, que aumentaba as contribucións de traballadores e empresarios e impuña unha retención do 5% aos xubilados. Tamén se denunciaba o progresivo recorte de dereitos civís e violacións de dereitos humanos. A Caravana Informativa pasou xa por Dinamarca, Suecia, Bélxica, Francia, Holanda, Alemaña e Inglaterra. E no Estado Español estivo en Madrid, Zaragoza, Barcelona, Córdoba e Sevilla. Falamos con Fidel Ernesto Narváez, avogado e ex-profesor de Dereito Constitucional e Filosofía na Universidad Politécnica de Nicaragua (UPOLI). Participou dende o inicio nas protestas estudantís contra o Goberno, ata que se tivo que exiliar, tras ser identificado polas autoridades. "A represión busca desmobilizar unha poboación que está insurrecta civicamente e que non ten armas, unha poboación que demostrou a súa oposición ás políticas que vén desenvolvendo o Goberno ao ditado dos Estados Unidos" Como está a situación neste momento? A día de hoxe o número de persoas asasinadas chegou xa a 309. Diferentes sectores da poboación están sendo atacados polo paramilitarismo, financiado e dirixido polo Goberno. A represión busca desmobilizar unha poboación que está insurrecta civicamente e que non ten armas, unha poboación que demostrou a súa oposición ás políticas que vén desenvolvendo o Goberno ao ditado dos Estados Unidos. Unhas políticas que, na orde relixiosa, foron consensuadas coa parte máis radical da Igrexa Católica e tamén co Pentecostalismo e a Teoría da Prosperidade, que está a estenderse por toda Centroamérica. En Europa, sobre todo en sectores progresistas, sorprende que sexa o Goberno de Ortega, o sandinismo, quen estea exercendo esta represión e aplicando estas políticas que denunciades. Como se explica? Esta non é unha insurrección contra o sandinismo. No ano 1979 houbo un triunfo revolucionario popular, do pobo, non dun partido. O que pasou é que a partir do ano 1990, cando a Fronte Sandinista pasou á oposición, houbo unha desestruturación da Fronte, sobre todo de índole ideolóxica, porque foi pouco a pouco abandonando os postulados progresistas cos que anteriormente chegara ao poder. Daniel Ortega viña desprazando aos militantes históricos e a todo aquel que tivese un sentido crítico. Cando a Fronte Sandinista volveu ao Goberno no ano 2006 fíxoo despois de que Ortega chegara a pactos con gran capital, coa Igrexa e cos Estados Unidos, poderes que xa non vían no sandinismo un inimigo. Dende entón houbo unha liberalización do mercado, penouse o aborto terapéutico e pechouse a porta ao matrimonio igualitario entre persoas do mesmo sexo. "Esta non é unha insurrección contra o sandinismo. No ano 1979 houbo un triunfo revolucionario popular, do pobo, non dun partido" Foi o propio sandinismo quen creou unha corrente moi crítica no país, que marcou moito o ensino e a Universidade e a ideoloxía dos estudantes que hoxe están nas rúas. Moitos dos que estamos protestando vimos de raíces moi sandinistas. O meu pai foi guerrilleiro e o meu tío foi mártir e toda a miña familia pertenceu ao imaxinario sandinista. O partido foise desnatando, creando unha especie de Goberno corporativo moi próximo ao neofascismo, polo seu verticalismo e cesarismo. Toda ideoloxía marxista e mesmo sandinista foi abandonada progresivamente. Nicaragua ten un profundo sentimento antiimperialista, de defensa do territorio e da súa soberanía, que data do momento da súa independencia. A Fronte Sandinista non só abandonou isto, senón que experimentou unha mutación que o levou a utilizar cada vez máis a forza contra o seu pobo. "Somos conscientes de que hai moita xente, sobre todo aqueles que dende Europa viviron os procesos dos anos 70 e 80, que conservan aquela imaxe estelada do Sandinismo e cren que o Goberno de Ortega é aínda aquel movemento. Pero esta visión non lle está facendo ben á poboación nicaraguana" Somos conscientes de que hai moita xente, sobre todo aqueles que dende Europa viviron os procesos dos anos 70 e 80, que conservan aquela imaxe estelada do Sandinismo e cren que o Goberno de Ortega é aínda aquel movemento. Pero esta visión non lle está facendo ben á poboación nicaraguana. Este réxime demostrou nos últimos anos que abandonou aquela loita, e unicamente utiliza unha especie de vestido simbólico, invocando a CIA ou aos EE.UU. como inimigos. Pero o pobo nicaraguano sabe que Ortega non é o inimigo da CIA, senón que é o seu mellor axente, e que non é inimigo dos EE.UU., senón que é o seu maior aliado comercial. Quen está sufrindo máis directamente a represión? Quen está sufrindo máis directamente a represión é o pobo nicaraguano: estudantes, campesiños, movementos de mulleres, movementos de traballadores, comunidade LGTBI..., que están poñendo os seus corpos para defender os espazos públicos, coma a universidade. Ao non ter armas, teñen que poñer os corpos, nunha loita completamente desigual. O 19 de abril tivo lugar o primeiro asasinato, un estudante que vin morrer ao meu lado. Puiden ser eu perfectamente. A maior parte dos falecidos son homes de mediana idade e baixos ingresos económicos, de barrios populares, de cidades historicamente sandinistas. Non hai membros de partidos políticos, porque os partidos foron cooptados hai tempo polo Goberno, e non hai falecidos de clase media ou alta, porque o Goberno cóidase moito de atacar estes grupos. "Quen está sufrindo máis directamente a represión son estudantes, campesiños, movementos de mulleres, movementos de traballadores, comunidade LGTBI..., que están poñendo os seus corpos para defender os espazos públicos" O que está sucedendo en Nicaragua pode enmarcarse nun contexto máis amplo, rexional? Levamos anos vendo tamén en Honduras ou no Salvador a presión de multinacionais interesadas na explotación de recursos naturais... Si, todos os países de Centroamérica están sufrindo a presión de empresas extractivistas, co favor de varios dos seus Gobernos. Nicaragua ten unha gran similitude co modelo de goberno corporativo de Manuel Zelaya en Honduras. Hai unha semellanza na concentración de riqueza, nos pactos de Estado en beneficio de determinadas familias e dunha grande endogamización do poder que exclúe a moitos colectivos. "Todos os países de Centroamérica están sufrindo a presión de empresas extractivistas, co favor de varios dos seus Gobernos. Nicaragua ten unha gran similitude co modelo de goberno corporativo de Manuel Zelaya en Honduras" Como cres que pode evolucionar a situación nos vindeiros meses? A Alianza Cívica está dialogando con Ortega, pero cada vez está recibindo máis críticas, porque tamén ten moitas relacións co gran capital. Considérase que a Alianza Cívica é moi condescendente con Ortega. Hai que evitar que se chegue a un pacto secreto, a un novo pacto entre os grandes poderes: Capital, Goberno, EE.UU e Igrexa para manter o poder e evitar que as demandas da unidade popular destrúan o sistema extractivista do que actualmente se benefician. En cambio, a Articulación de Movimientos Sociales busca unha saída máis horizontal, cunha economía máis social e solidaria, cunha democracia popular que poida significar unha verdadeira alternativa para recuperar a soberanía fronte aos intereses do gran capital e das potencias mundiais. Temos a oportunidade de resignificar o seu contido histórico, de darlle teleoloxía ao gran concepto que marcou dende sempre a sociedade nicaraguana: a soberanía. A Articulación de Movimientos Sociales ten a súa propia ruta cara á democratización: renuncia inmediata do Presidente, Goberno de Transición, Asemblea Constituínte para cambiar toda a estrutura neoconservadora na que se asenta o país por unha estrutura máis progresista e incluínte e, finalmente, unha convocatoria de eleccións. "Temos a oportunidade de darlle teleoloxía ao gran concepto que marcou dende sempre a sociedade nicaraguana: a soberanía" O movemento de protesta que está habendo en Nicaragua pode estenderse a outros países da rexión? O que está pasando en Nicaragua podería significar un cambio en toda Centroamérica, cunha situación política que se está movendo moito: tamén no Salvador, en Honduras... Estamos todos ao redor da loita pola recuperación da soberanía, económica principalmente, pero tamén sobre o coñecemento, sobre os dereitos democráticos... Os gobernos corporativos de Centroamérica buscan unha desmobilización da sociedade, dos movementos sociais. Buscan enfrontar a pensionista con estudantes, feminismo e movemento LGTB coa clase obreira... Pero está habendo unha transformación dos movementos, máis aló dos partidos tradicionais, cunhas novas culturas políticas emerxentes. "Estes grandes poderes téñenlles máis medo ás ideas que ás persoas e saben que deste movemento en Nicaragua pode xurdir un neo-sandinismo aínda máis progresista, máis incluínte, máis horizontal, cunha economía máis cooperativa, máis solidaria, de autoxestión" Este movemento pode ter carácter de revolución. Estes grandes poderes téñenlles máis medo ás ideas que ás persoas e saben que deste movemento en Nicaragua pode xurdir un neo-sandinismo aínda máis progresista, máis incluínte, máis horizontal, cunha economía máis cooperativa, máis solidaria, de autoxestión, como propugnaba Sandino. Por iso lle teñen tanto medo, e moito máis nun momento en que toda Centroamérica se está movendo, ademais coa vitoria de AMLO en México. O movemento da articulación de movementos sociais pode irradiar ao Salvador, a Honduras, a Guatemala..., representando para Estados Unidos un perigo rexional sen precedentes. |
NOS_25032 | A precariedade laboral en varias das súas vertentes centrará actvidade de En Marea no pleno parlamentario da semana que vén. O seu portavoz, Luís Villares, preguntará a Feixoo polo "maltrato do persoal sanitario". | Mais non será o estado da sanidade pública a única cuestión relativa á precariedade que as deputadas da confluencia levarán ao pleno. O conflito de Poligal en Narón, a deslocalización da empresa de telemárketing Bosch ou a situación de Alcoa tamén serán obxecto de debate. Villares explicou esta terza feira as súas xuntanzas con diferentes colectivos de traballadoras e traballadores sanitarios. "Trasladaremos as súas demandas ao presidente da Xunta", avisou, "que deberá explicar por que non coida deles. Reclaman que se cumpran os acordos do ano 2008 [no bipartito] que estabelecían condicións laborais dignas". O portavoz de En Marea relacionou as situacións de Bosch e Poligal coa política industrial de deslocalización e prometeu "loita decidida" contra ela. "Parécenos unha tomadura de pelo que as empresas que reciben fondos públicos poidan facer as maletas e marchar deixando colgados as traballadoras. O Goberno non pode mirar para outro lado", dixo, antes de acusar a Feixoo de mentir na anterior sesión de control por dicir que non había diñeiro público en Poligal. "Non é verdade", aduciu, "porque ten numerosas axudas públicas dos investimentos posteriores á reconversión naval". De Bosch afirmou que se trata "dun sector precarizado e feminizado". En Marea quere, ao respecto, a derrogación das reformas laborais de PP e PSOE. Sobre Alcoa, a proposta do seu grupo parlamentario consiste nuha "regulación integral do sector eléctrico con medidas de choque para evitar o peche e outras a medio prazo". O problema da vivenda estará tamén entre as iniciativas de En Marea no pleno da semana que vén. |
NOS_58336 | O Movemento Galego da Saúde Mental urxe anonimato e confidencialidade no tratamento de datos persoais sobre suicidios e tentativas autolíticas. | O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña anunciou a semana pasada no Parlamento a creación dun rexistro de intentos de suicidio e de dano autoinfrinxido de ámbito galego co obxectivo de coñecer a incidencia, a prevalencia e os factores asociados a este problema de saúde pública. É, segundo avanzou, unha das actuacións previstas polo Goberno da Xunta en materia de saúde mental. A tramitación desta iniciativa, pendente só do informe da asesoría xurídica, dixo, atende á reforma dos actuais órganos de prevención do suicidio en todas as áreas sanitarias. Mais, de momento, tan só as de Ourense, Lugo e Vigo contan con unidades especializadas de seu, con espazo propio e persoal asignado, lembra a Nós Diario Rosa Cerqueiro, voceira do Movemento Galego da Saúde Mental. "A de Ourense foi a pioneira e funciona moi ben desde o ano 2009. A de Vigo acaba de poñerse en marcha hai unhas semanas. A maiores está a de Lugo. O resto das áreas teñen pendente a contratación de persoal para poder poñer en marcha esas unidades específicas segundo o previsto no plan galego de saúde mental", di. Por cada suicidio consumado estímase que se producen unhas 20 tentativas Sobre a creación dun rexistro de tentativas autolíticas, Cerqueiro defende a importancia de contar "con información precisa, rigorosa e actualizada" sempre e cando esa recollida garanta os dereitos das persoas. Así, pon o acento na "obriga" da Administración sanitaria "de preservar os datos de identificación persoal de cada paciente, separados dos de carácter clínico-asistencial, de maneira que quede asegurado o seu anonimato e confidencialidade". Complexo e dinámico A Organización Mundial da Saúde leva anos advertindo da "imprescindíbel" recollida de datos de calidade non só sobre a mortalidade asociada ao suicidio, senón sobre as tentativas autolíticas, "dado que contribuirá a estabelecer plans de prevención eficaces e a mellorar a prestación de servizos ás persoas que acoden aos centros sanitarios tras un intento de suicidio", afirma Rosa Cerqueiro. Os datos dispoñíbeis son insuficientes. Os de 2020 aínda non se coñecen. Os últimos divulgados corresponden a 2019: 318 suicidios segundo reflicte a memoria anual do Instituto de Medicina Legal da Galiza. "Chegan demasiado tarde, e iso non permite tomar decisións no momento, acaídas á información e características dos casos que se van dando". Por cada suicidio consumado estímase que se producen unhas 20 tentativas, aclara a voceira do Movemento Galego da Saúde Mental, quen chama a atención sobre a "complexidade" dun problema de saúde que atinxe a toda a sociedade. "É unha realidade complexa pero non misteriosa, que atende a diferentes factores de risco". É unha realidade dinámica que exixe información en tempo real para poder "emprender accións de carácter preventivo ou intervencións adecuadas en función das circunstancias de risco que sexamos capaces de anticipar". Non é unha realidade descoñecida, acentúa, "pero precisamos saber como se están producindo as cousas para actuar desde o ámbito sanitario, educativo ou da protección social". E esa acción comunitaria exixe programas específicos e dotados de recursos profesionais "para que non queden nun simple texto". Suicidio: cuestión de saúde pública O suicidio é un problema de saúde pública. "Primeiro porque goza dunha alta incidencia, por riba da media estatal no caso galego, con 12 suicidios por cada 100.000 habitantes", salienta Rosa Cerqueiro. Mais tamén porque é unha situación que compete ao conxunto da sociedade. "Non vale dicir que é algo alleo a min. Non escapa a ninguén. Por iso exixe decisións a nivel colectivo e multisectorial". Aínda máis, engade, "moitas veces é só a punta do iceberg obriga a mirar que hai debaixo". |
PRAZA_14372 | Os socialistas intentaron durante todo o día que Francisco Rodríguez abandonase o cargo. Rodríguez criticou a "falta de democracia interna" e deixa a decisión nas mans do comité local, que controla. O BNG retíralle o seu apoio. Adolfo Gacio dimite como alcalde de Boqueixón, aínda que continuará como concelleiro do Partido Popular. | Pasadas as once da noite a dirección do PSdeG anunciaba publicamente que procederá á suspensión cautelar de militancia de Francisco Rodríguez e tamén do ex presidente da Confederación Hidrográfica de Miño-Sil, Francisco Fernández-Liñares, que este luns foi enviado a prisión pola xuiza Pilar de Lara. Os socialistas intentaron durante todo o día que Francisco Rodríguez abandonase o cargo e mesmo desprazaron a Ourense a Antonio Henando e Gaspar Zarrías, da executiva federal do PSOE, que xunto do secretario de organización Pablo García, parece que nun primeiro momento conseguiran convencer o rexedor. Parecía o final dun longo dia no que xa pola mañá Alfredo Pérez Rubalcaba anticipara que o partido ía tomar "decisións", algo que tamén foi repetido por Pachi Vázquez en varias ocasións. A primeira reacción do aínda alcalde foi criticar "a falta de democracia interna" e poñer o cargo a disposición da agrupación local do partido, que el controla Porén, Francisco Rodríguez retractouse desa primeira decisión e sobre as nove da noite facía público que non ía dimitir e ratificaba nun comunicado que recorrerá o auto de imputación por "falta de rigor xurídico no proceso". Ese anuncio acelerou os movementos no PSdeG, que tomou a decisión de suspender a Rodríguez. A primeira reacción do aínda alcalde da cidade foi criticar "a falta de democracia interna" e o "estalinismo" e afirmou que poría o cargo a disposición da agrupación local do partido, que el controla. De igual xeito, Xurxo Rodríguez publicou de inmediato no Faceboo que "imos morrer matando porque neste niño de víboras saiu un ratonciño que lles vai custar comer". Nalgunha entrevista que o rexedor concedeu xusto antes do anuncio de suspensión de militancia, asegurou que xa falara con Pachi Vázquez, ao que lle pedira tempo: "O importante non é que me vaia hoxe ou mañán, só quero facelo ben". E tamén reafirmouse na súa inocencia: "Nunca vin un Rólex, nin recibín cartos, nin favorecín a esa empresa, porque os concursos nos que se presentou non gañou ningún" e confesou que "estou fastidiado de tódolos xeitos: se me vou dirán que algo tiña que ocultar; e se quedo, que me agarro ó poder". O BNG xa advertiu que sairá do Goberno se o alcalde non renuncia e posiblemente os seus tres concelleiros non asistirán á xunta de portavoces do xoves En calquera caso, dentro ou fóra do PSdeG-PSOE, o futuro de Rodríguez á fronte da alcaldía é incerto. O BNG xa advertiu que sairá do Goberno se o alcalde non renuncia e posiblemente os seus tres concelleiros non asistirán á xunta de portavoces do xoves. Ademais, asegúrase que catro dos dez concelleiros socialistas tampouco apoian o alcalde. Tamén o PP pediu a dimisión inmediata de Francisco Rodríguez pero non aclararon se impulsarán unha moción de censura. Adolfo Gacio seguirá sendo un cargo público do PP a pesar das acusacións de suborno e prevaricación que existen contra el O PP, pola súa banda, resolveu o caso do alcalde de Boqueixón, tamén imputado, doutra maneira. Adolfo Gacio seguirá sendo un cargo público do PP a pesar das acusacións de suborno e prevaricación que existen contra el. Despois de horas de reunión con Carlos Negreira, Gacio aceptou deixar a alcaldía pero coa condición de continuar como concelleiro. |
NOS_43104 | O representante de Boicot Desinvestimentos Sancións-Galiza, Bletxu Valeiras, analisa a actual situación despois da detención e incomunicación das activistas. | -A intervención militar contra a Flotilla da Liberdade viola o dereito internacional, que medidas de presión se poden activar contra esa acción? Que institución internacional pode intervir para a liberación da tripulación? Agora mesmo son as autoridades as que deben actuar. A cidadanía pode meter presión ás institucións dende a rúa. Por iso están convocadas concentracións por toda Galiza en apoio ao Marianne e para esixir a intervención inmediata dos responsábeis institucionais. BDS-Galiza solicitou hai uns días que tanto a Presidencia da Xunta como a Presidencia do Parlamento actuasen para asegurar a integridade física e moral das persoas que viaxaban a bordo do Marianne. E o mesmo fixo Rumbo a Gaza co Ministerio de AA.EE. e Ship to Gaza e varios grupos europeos coas autoridades europeas. O resultado foi o que vemos. Ningún. Seguiremos reclamando aos nosos gobernantes, da Xunta á ONU, que actúen, como é a súa obrigación. A presión internacional ten que ser fundamental para rematar con este aldraxe. "Descoñecemos a situación da tripulación, posto que o porto de Ashod é un porto militar cuxo cárcere non permite a asistencia consular" -A tripulación do Marianne da Flotilla da Liberdade foi trasladada polo Estado israelí ao cárcere militar de Ashod. En que situación se atopan? Descoñecemos a súa situación, posto que o porto de Ashod, ao que se esperaba chegasen detidos contra as cinco da tarde do luns, é un porto militar cuxo cárcere non permite a asistencia consular, segundo informaron fontes do Ministerio de AA.EE. español. O que manifestan portavoces do exército de Israel é que o asalto se produciu sen danos físicos. De todos xeitos o mesmo dixeron hai dous anos cando se secuestrou o veleiro Estelle, e ao final resultou que realizaran a abordaxe utilizando armas eléctricas. -Que legalidade se conculca ao asaltar un buque que navega en augas internacionais? O Marianne é un barco con bandeira sueca, con todo o dereito a navegar por augas internacionais. As augas autoconsideradas israelíes (que realmente pertencen a Gaza), comezan a 20 millas da costa (de Gaza). Batendo récords, o Marianne foi abordado cando se atopaba a 100 millas desa costa. A armada israelí actúa como unha banda de piratas perante a indiferenza das autoridades internacionais. Nunca a lei ou as resolucións da ONU tiveron efectos disuasorios sobre Israel. -Segundo as experiencias anteriores, que pode acontecer a partir de agora? Probablemente a/os activistas serán interrogada/os durante varios días sen apoio legal nin consular de ningún tipo, para posteriormente seren trasladada/os a outro centro de detención, xa coa asistencia consular, ou seren directamente deportada/os. -A voceira do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, é a única persoa do Estado español que viaxa no buque, está a ser protexida polas autoridades galegas e estatais? Polo momento non hai noticias de que iso sexa así. A Xunta garda un silencio máis que absoluto. O grupo do BNG rexistrou varias preguntas no Parlamento a resposta e a accións que eventualmente ten pensado levar a cabo a Xunta para acadar a liberación de Ana Miranda. En relación ás autoridades estatais, só sabemos que expresan a súa impotencia por Israel non lles permitir prestar asistencia consular, máis nada. -BDS reclamara ao Parlamento e á Xunta protección para o Marianne, tiveron algunha resposta? O silencio. "A Xunta garda un silencio máis que absoluto. O grupo do BNG rexistrou varias preguntas no Parlamento a resposta e a accións que eventualmente ten pensado levar a cabo a Xunta para acadar a liberación de Ana Miranda". -A misión do Marianne era de carácter humanitario e tiña como fin entregar medicamentos e alimentos no campo de Gaza. Por que o Estado de Israel impide con violencia esta acción? A estratexia israelí está non só en manter o bloqueo, senón tamén en acusar a Flotilla da Liberdade de colaboradora co terrorismo, e por iso tratan aos activistas como terroristas. Paneis de enerxía solar, fundamentais debido a práctica destrución da estrutura eléctrica da faixa de Gaza polos bombardeos e as continuas sabotaxes de Israel, e medicinas, son as armas de destrución que o Marianne agochaba nas súas adegas. -Alén dese obxectivo directo de apoio ao pobo palestino, esta iniciativa serve para denunciar o Estado de Israel? Que supoñen para dar a coñecer a situación do pobo palestino? O paso do Marianne por varios portos de Europa, incluído o de Bueu, axudou a dar a coñecer a situación, de Gaza e moi especialmente dos seus pescadores, aos que oficialmente non se permite faenar nas súas augas máis alén das seis millas. Unha faixa estreita de mar que na práctica fica aínda máis reducida porque a forza naval israelí ataca con frecuencia os mariñeiros que se adentran no mar máis de tres millas. Son moitos os feridos e algúns os mortos que cada ano caen vítimas dos disparos das IDF. -En 2010 o Estado de Israel atacou a Flotilla da Liberdade provocando nove mortes e máis de trinta persoas feridas. Como se explica que este ataque continúe impune? Do mesmo xeito que se explican todos os crimes de guerra israelís, a ocupación da terra da Palestina, os reiterados incumprimentos do dereito internacional…, o ataque ao Mavi Mármara non foi castigado porque as accións de Israel gozan de impunidade internacional. O propio Reino de España introduciu modificacións na súa lexislación para evitar ter que xulgar este delito. E o mesmo fixo o Reino Unido. As potencias occidentais actúan como bonifrates ao son que toca Israel, un estado fora da lei. |
NOS_19389 | Segundo a CIG, a dirección da planta de Nostián rachou as negociacións de forma unilateral e quere aplicar unha rebaixa de salarios do 18 por cento. Críticas ao concello por non exercer de mediador e limitarse a sacar a policía á rúa. | O conflito que mantén o persoal de Albada na planta de tratamento de residuos de Nostián na Coruña e que afecta tamén á recollida de lixo na cidade chega ao seu décimo día sen que se albisque unha solución. A última quenda de negociacións tamén fracasou a pesar dunha xuntanza de oito horas na que mediou o Consello Galego de Relacións Laborais. Segundo a CIG, "a empresa complícase calquera saída dialogada ao intentar impor unha rebaixa salarial teórica do 8%, mais que na realidade supón na nómina de cada traballador ou traballadora unha redución de arredor do 18% do seu salario. E tampouco malia que parecía que había un entendemento coa dirección de Albada para resolver a situación d@s despedid@s, finalmente non se puido chegar a un acordo polo inmobilismo da empresa". As rebaixas salariais, os despedimentos de once empregad@s e o aumento da xornada son os puntos que levaron ao persoal á folga. A central nacionalista acusa á empresa de rachar co diálogo "de forma unilateral". Desde os traballadores tamén critican que o concello da Coruña permita que a empresa "faga o que lle pete" e consinta a "estafa social" que significa Albada porque "se lle está a pagar por unha reciclaxe que non realiza". Tamén soben de ton as críticas xerais a Negreira por lavarse as mans no conflito malia que este está a provocar problemas na recollida de lixo que non poden ser solucionados polo forte despregamento policial e que xera fortes cheiros por toda a cidade, especialmente nos barrios, onde se acumulan residuos nos contedores. |
PRAZA_20253 | Avento Producións Teatrais leva a escena 'BU21', unha obra sobre como as persoas reacciona ante a traxedia, baseada en testemuños de sobreviventes a atentados | Cal sería a túa ferramenta de defensa fronte á dor? Serías quen de refacer a túa vida tras a traxedia? En que medida poñería esta a proba as túas conviccións? Son algunhas das preguntas que formula BU21, a última obra da compañía viguesa Avento Producións Teatrais, que vén de pasar polo Salón Teatro, en Santiago. Xoán Abreu dirixe a Fernanda Barrio, Dunia Díaz, Martín Máez, Fran Peleteiro, Rocío Salgado e Machi Salgado nesta montaxe, con texto do británico Stuart Slade e baseada en testemuñas de persoas que sobreviviron a atentados terroristas. Unha serie de monólogos intercalados que non deixan de interpelarnos, como seres humanos expostos á dor. Coma persoas que, nalgún momento, tivemos ou teremos que recompoñelo todo despois de que a nosa vida se torza. A obra foi unha proposta túa. Por que a escolliches? Eu compro por internet, de cando en vez, obras que me dan boas vibracións. Esta foi unha delas. Eu non son moito de teatro textual, pero este texto pareceume moi potente e apeteceume compartilo, dicirlle á xente: mirade o que fixo este autor! Como foi a relación co autor? No texto xa figuraba un enderezo ao que dirixirse en caso de querer mercar os dereitos. Pedíronnos o meu currículo, o dos tradutores, e mesmo o propio autor estivo a piques de vir á nosa estrea. Foi moi fácil, a verdade. Polo que sabemos polo que puxo nas redes sociais, interesoulle o noso proxecto… "O propio autor estivo a piques de vir á nosa estrea" Es parte da Sala Artika, de Vigo. Como vai este proxecto? Na mesma cidade está a Ensalle... En realidade eu levo na compañía Avento desde o ano 1988, e diríxoa desde 1991. Pasamos de compañía amateur a profesional hai uns poucos anos. Eu estudei na ESAD. Había un grupo de persoas que sempre quixeramos ter unha sala na que mostrar o noso traballo e o doutra xente… A Sala Artika foi creada, así, cos seus aforros, por varios compañeiros de Avento: Marcos Alonso, Fernanda Barrio, Beatriz Alonso e Óscar Casal. A idea non era facer outra sala como a Ensalle, que para iso xa está a Ensalle, claro. Nin facer un teatro coma o García Barbón… O obxectivo era crear unha sala independente que dese cabida a diferentes tipos de proxectos. "O obxectivo da sala Artika é ter unha sala independente que dese cabida a diferentes tipos de proxectos" Un dos personaxes di cara ao final que chegará un momento en que a vida de cadaquén se torza. E que entón teremos que recompoñela como poidamos. Supoño que é a idea de fondo da obra, máis alá do feito do ataque terrorista. Si, é o xeito que ten cada ser humano, por moi dura que sexa a experiencia pola que ten que pasar, de combater a dor e refacer a súa vida. Despois de vivir algo tan forte coma un atentado, que fas? Serás quen de erguerte despois de derrubarte? Na obra, ademais, os que parece que lle plantan cara aos feitos con máis dureza son ao final os que peor o pasan. O personaxe de Alex (Fran Peleteiro) leva unha carauta de tipo duro, semella ter a situación baixo control, pero en realidade é un dos máis feridos, pola perda e polo engano. É dos que máis sofren. "Na obra, os que parece que lle plantan cara aos feitos con máis dureza son ao final os que peor o pasa" Nese sentido, os personaxes representan distintos xeitos de xestionar a catástrofe. O de Fran é o executivo frío e calculador, o de Machi Salgado, aínda que non aparenta telo todo controlado, tamén se beneficia da corrente que o vai levando… Si, eu penso, como dicía, que Álex é un dos máis feridos. En contraste con el, o personaxe de Fernanda Barrio, a muller que quedou en cadeira de rodas, aparenta buscarlle sempre o lado positivo á vida, pero non acaba ben. O personaxe de Dunia Díaz, unha muller que perdeu a súa nai, parece bastante descentrado e sufridor pero acaba sendo dos máis enteiros, consciente das súas propias mentiras e da necesidade que sente delas. Os personaxes van evolucionado e amosando caras que non se agardan, si. Como en calquera bo texto… Hai unha evolución nos personaxes, si. O que mostran é que todos somos humanos e sufrimos de formas diferentes, con distintas ferramentas para loitar contra a dor. O autor do texto recolleu testemuños reais de sobreviventes de atentados en Estados Unidos, Londres, París… Preparastes os personaxes acudindo dalgunha maneira a testemuños? Traballei con cada un dos actores de forma independente: a estrutura da obra é a de monólogos alternos. Despois si que os xuntei para darlle unidade. Eu non lles pedín que buscasen testemuños porque non creo que fose necesario. Está todo no texto. A partir do texto, creo que cada un puido traballar desde a súa propia vivencia de situacións duras. Non penso que fose preciso documentarse moito máis. "A partir do texto, creo que cada un puido traballar desde a súa propia vivencia de situacións duras" Os personaxes diríxense ao público. Un deles, Alex, pon ao espectador diante dos seus prexuízos, contradicións… Alguén podería sentirse molesto… Aínda que no teatro, iso, hai moito que se inventou. Iso está tamén todo no texto. Eu entendín o meu traballo nesta obra coma o dun transmisor. Claro que pode molestar, facer que alguén se sinta incómodo nalgúns momentos… Pero nós, o que queriamos transmitir, con todas as nosas ganas e o noso amor e sen tentar buscar protagonismo, era o que o autor quería dicir. Si que houbo algún espectador que se sentiu molesto, mais se cadra foi porque non foron capaces de entrar nun espectáculo con este tipo de dinámica… "Claro que pode molestar, facer que alguén se sinta incómodo nalgúns momentos…" Rocío Salgado, co personaxe da moza á que a persegue a imaxe dun morto, e Martín Máez, o paquistaní que se rebela contra a hiperracionalidade do pai, tamén amosan nexos. Os dous buscan, todo o tempo. Ou foxen. O personaxe de Rocío paréceme moi interesante. Ten un trauma por algo que viu, que non lle pasou directamente a ela. E non é o mesmo ver alguén morrer que acabar co corpo propio desfeito, pero a túa dor pode ser igual de forte. Ademais, fala do morto con tenrura, con amor, xa só coa súa mirada. Eu non sei se é que estou volvéndome máis sensible ou algo pero…, ás veces só con ir no autobús e ver a mirada dunha señora maior, poñerme na súa pel, imaxinar a súa dor ou o que eu penso que é a súa dor… acaban dándome ganas de chorar. Hai infinitas formas de vivir a dor, e esa é unha das cousas que nos fai iguais como seres humanos. A obra non deixa de ser, por outra banda, bastante occidental na súa formulación. Está o fillo do médico paquistaní morto… Rebélase contra uns pais que queren ser máis ingleses que os ingleses. Ese personaxe era un rapaz novo que non sabía moi ben nin de que lado estaba. Eu penso que actúa por inmadurez máis que por convicción propia. Tampouco nos queda claro, ao final, como acaba… As interpretacións están ben medidas. Non hai excesos. Non sobreactúan, non se poñen demasiado tráxicos… É un dos acertos da montaxe. E iso non foi fácil, por momentos. Que atopasen ese equilibrio era o que eu pretendía. Eu dicíalles que tiña que parecer unha comedia. Machi Salgado, por certo, quixo traballar nesta obra comigo para traballar o seu lado cómico… Eu non quería que eles estivesen como reaccionando á súa propia traxedia. A traxedia xa está en atopar a maneira de afrontar o que lles pasa, e eu quería que nos personaxes se vise iso. Cada un busca o seu método de defensa ante a dor. Non quixen subliñar a traxedia, a traxedia ten que vela o espectador, non ten que agrandala o actor. "Que atopasen ese equilibrio era o que eu pretendía. Eu dicíalles que tiña que parecer unha comedia" Ao mesmo tempo, os personaxes poden ser representantes de tipos sociais… Alex é como un símbolo das elites do capitalismo neoliberal. O personaxe de Machi podería ser o pobo que reacciona con furia e racismo ante os atentados. Como unha metáfora da dereitización de Europa. O de Alex, para min, é un dos personaxes máis ricos. Realmente está moi descolocado. Pode ser un símbolo do que dis, pero eu penso que o seu discurso é máis unha carauta para agochar o que leva por dentro. O personaxe de Machi expresa ideas fascistas… Pero eu non penso que sexa só unha reacción ante o atentado. Penso que xa lle viña de atrás... E, si, podería representar a clase media ou obreira que defende toda a vida ideas que non lle son propias… É un dos personaxes máis tristes e ao mesmo tempo máis saborosos. En canto ás mulleres, xa falabamos ao principio que as que semellan máis equilibradas non acaban séndoo… A personaxe de Dunia semella non decatarse do que pasa, e se cadra está a meterse nunha relación que pode acabar moi mal… para ela. A de Dunia agárrase a un cravo ardendo para non acabar derrubándose. Pero si que se decata do que pasa. Sabe que el a trata con certo desprezo. Mais atopa na súa relación con el un xeito de aliviar a súa dor. Ela é consciente de todo. A personaxe de Fernanda é, ademais, unha inmigrante, de status social paralelo ao de Machi, que sabe o que é servir en restaurantes da zona rica… Ela tenta agochar a dor, a súa ferida, sendo positiva… A escenografía, de Diego Valeiras, é moi limpa. Unhas cadeiras e pouco máis. A luz marca as transicións, os cambios de personaxe. Os cambios de luz dan paso dun personaxe a outro, si. A idea era que fose un espazo o máis baleiro posible. Despois hai algúns obxectos, tamén porque aos actores lles era máis doado ter algo que tocar ás veces que só o espazo sen nada. A obra é, polo demais, un torrente de palabras, de emocións… "A obra é, polo demais, un torrente de palabras, de emocións…" E a música? Algún crítico -Manuel Vieites- dixo que vos pasarades con ela. Pois para min a música que sae é a música que escoitarían os personaxes. Para iso si que me documentei, preguntando a xente noviña que tipo de música escoitan. E eu a Vieites téñolle cariño pero, claro, o que lle gusta a el é o teatro de texto, a palabra… En calquera caso, eu nesta obra non quería meter a miña pata, deixar a miña marca. A música tamén vale de transición entre escenas…, ou para expresar malestar, rabia… A obra xa se estreou hai tempo… Estreamos na sala Artika en outubro de 2016. En Londres estreárona en marzo. Non fixemos xira nin nada así. Fomos a Santiago porque non hai outra maneira de que no norte se vexa o que se fai no sur… Avento no norte non é unha compañía coñecida. É verdade que son moitas compañías facendo cousas, é lóxico, pero estaría ben que na mostra das artes escénicas, por exemplo, non se dese cancha só aos compañeiros de compañías xa moi coñecidas. Eu teño asumido o que pasa, pero claro, dá pena. Ao CDG fomos a taquilla e na semana da Ascensión… O curioso é que, cando eramos compañía amateur, iamos ao Teatro Principal… Agora parece que é máis difícil. Cadrou coa Ascensión, si, e con Voaxa e Carmín. Tivestes pouco público. Se cadra ata perdestes cartos ao ir a billeteira. Foi un investimento. Mellor non medilo por gastos e ingresos. Igual tamén foi falta de promoción… Avento leva bastantes anos… Si, e cando traballabamos a nivel amateur eramos moi ben acollidos. Temos moitos premios, tiñamos moitos bolos en circuítos de teatro amateur… Tamén é verdade que fóra de aquí a situación destes circuítos é moi distinta: iamos a Madrid, Valencia, Zaragoza… coa nosa furgo. Faciamos obras de 12 persoas ou máis... , tamén teatro máis comercial… Despois fixémonos profesionais, e facemos tres tipos de espectáculos: dos que nos apetece máis, coma BU21, outros para xente nova, e tamén musicais para colexios. "Cando traballabamos a nivel amateur eramos moi ben acollidos" Antes estiveras en Ítaca. Ou en Artello. Ítaca foi nos anos 80. Era moi novo. Foi nesa época na que comezou o CDG, foise profesionalizando o teatro… En Artello estiven substituíndo a Morris en Batea cando o colleran a el para o CDG. Con Escena T fixen Mambo, no que estaban tamén Machi e Fran. Foi o proxecto de fin de carreira de Machi para a ESAD. Era un espectáculo moi interesante, cun texto feito con só 16 palabras. Algún espectáculo de Avento ao que teñas especial cariño? Quizais Humano, que foi o meu proxecto de fin de carreira. En realidade gústame case todo o que fixen, sobre todo como amateur, porque podes facer o que queiras. Se sacas algúns cartos, van para investir no seguinte espectáculo… |
NOS_35404 | Un ano despois da súa primeira declaración, Iñaqui Urdangarín volve por segunda vez aos xulgados de Palma como imputado. A Casa Real teme este novo encontro xudicial despois de o seu socio Diego Torres sinalar a connivencia do Rei nas operacións do xenro. "O xefe é o Rei", tería dito Torres. | O Duque de Palma volve de novo á cidade que xa lle retirou o seu nome a unha rúa para declarar diante do xuíz José Castro a partir das 9.30 da mañá por seis delitos de fraude fiscal e malversación. Iñaqui Urdangarín, xenro do Rei, terá que dar conta tamén das declaracións do seu ex-socio Diego Torres que acusou á Casa do Rei de connivencia nos negocios do xenro.. Segundo Torres, a Casa do Rei en ningún momento pediu a Urdangarín que abandonase a súa actividade, senón "que gardara as apariencias". Na vista declarará tamén o secretario das Infantas, Carlos García Revenga, a quen tamén Torres puxo no punto de mira ao afirmar que estaba ao tanto de todas as operacións desenvolvidas por Nóos.As declaracións de Diego Torres deron un xiro ao xuizo ao acusar á Casa do Rei de supervisar, en especial a través de Carlos García Revenga, as xestións do grupo que xestionaba xunto a Urdangarín e que suporían o desvío de case seis millóns de euros. Torres apuntaba cara o Borbón a través dun amplo conxunto de correos electrónicos cruzados nos que se deixaba á vista o seu coñecemento e mesmo participación nos negocios fraudulentos do xenro e implicaba tamén á infanta Cristina nas xestións que levaron a Urdangarín diante do xuíz.Os que foran socios en Nóos están a cruzar responsabilidades nas súas declaracións xudiciais. Se Urdangarín fixo fincapé na súa declaración de hai un ano no papel de Torres na fraude, Torres botou de novo a pelota sobre o tellado de Urdangarín e a Casa do Rei como actores principais da trama creada arredor do Instituto que nacera como entidade sen ánimo de lucro. No remate da declaración de Urdangarín, pasará polo xulgado un home de confianza da Casa do Rei, o secretario das infantas Carlos García Revenga, que tomou parte tamén na xunta directiva de Noos, un nome que pola súa implicación no caso fai que as miradas apunten aínda con máis forza aos Borbóns. |
NOS_20614 | A Mesa denuncia este feito e lembra que ningunha entidade bancaria garante o dereito da poboación galega a usar a súa lingua. | O Banco Sabadell respondeu en inglés a unha consulta feira en galego e usou a lingua de Shakespeare para pedir ao cliente que remitise ese trámite en catalán, euskera, español, inglés, alemán ou francés. "Esta resposta indica que o Banco Sabadell acepta calquera outra lingua oficial do Estado e varias linguas doutros países, pero non o galego", considera A Mesa, entidade que denunciou este feito que enmarca na "vulneración dos dereitos lingüísticos". O Banco Sabadell é unha das poucas entidades que permitían empregar a lingua galega, tanto na súa web como nas aplicacións móbiles e nos caixeiros, lembra A Mesa, apuntando ao 'Informe sobre o uso do galego nas entidades bancarias'. Segundo o Informe da Mesa, ningún banco garante o dereito da poboación galega a usar a súa lingua e unicamente 4 das 14 "entidades financeiras colaboradoras" ás que as persoas usuarias deben acudir para realizar determinados trámites como obrigatorios e necesarios como o pagamento de taxas universitarias, sancións administrativas, diversas taxas por servizos públicos administrativos ou venda de bens, entre outros, ofrecen servizos web en galego. "Os poderes públicos galegos teñen a obriga de garantir o dereito a usar do galego, por iso, han de promulgarse medidas legais para a igualdade real e efectiva da nosa lingua como a proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular de Medidas para a garantía dos dereitos lingüisticos no ámbito socioeconómico que presentou no Parlamento de Galiza en 2017 a Mesa pola |
NOS_27633 | Mario Regueira debulla o último traballo da escritora Iria Misa. | Pouco a pouco, a carreira de Iria Misa consolídase como unha das máis interesantes no eido da literatura infantil e xuvenil. Con esta cuarta novela, IV premio Agustín Fernández Paz pola igualdade, a autora confírmanos que as boas sensacións do seu debut non ían desencamiñadas. Unha panorámica sobre a súa aínda breve traxectoria amósanos unha voz auto-esixente, capaz de desenvolver historias orixinais sen repetir tramas nin temáticas e tamén cunha sensibilidade que lle permite achegarse a temas espiñentos ou próximos ao tabú dunha forma única. A cidade do átomo é un bo exemplo disto e ábrenos, coa súa historia, un escenario nunca antes tratado pola autora e moi pouco visitado pola literatura galega no seu conxunto. As ruínas de Pripyat, a cidade construída ao redor do reactor de Chernobyl, representan aínda hoxe unha estampa que marca o paso dun tempo convulso e confuso. O peso da catástrofe detivo os días da urbe nunha mañá de abril de 1986, e o espolio clandestino posterior non conseguiu borrar o ton de cidade industrial soviética das ruínas, que aínda hoxe son visitadas polos viaxeiros máis ousados ou inconscientes. Tamén o relato da traxedia, traído á actualidade por series e documentais dos últimos anos, presenta a súa propia complexidade, entre as persoas que consideran o accidente unha consecuencia directa da xestión comunista e as voces rusas que apuntan a unha sabotaxe no contexto da Guerra Fría. Escribir sobre Chernobyl continúa a ser meter os dedos nas feridas da historia, e un dos primeiros méritos desta narración é que Iria Misa o fai cunha elegancia que é xa unha das súas marcas persoais. A narración colócanos nunha cidade sen adultos, na que os nenos tratan de manter as dinámicas da vida soviética mentres agardan o regreso dunha normalidade cada vez máis distante. É unha situación estraña, e a sucesión de acontecementos contribúe a que nos mergullemos paseniñamente nunha realidade desasosegante, moi ben localizada no mapa da Pripyat real, que acompaña e permite seguir a historia. Dentro deste contexto seguimos a historia de Lena, unha rapaza cunha calvicie que a fai sentirse diferente e que fai aflorar a hostilidade do grupo, tamén polas sospeitas de que poida estar "contaxiada" pola radiación do accidente. A recreación de Iria Misa leva a un lugar orixinal a proposta da "igualdade" do premio Agustín Fernández Paz. Unha cidade destruída onde viven os nosos propios fantasmas, incapaces, tamén eles, de construír a sociedade utópica. A cidade do átomo Iria Misa (il. Sonia García) / Xerais / 2021 / 168 páxs. / 12,70 euros papel / 5,99 euros epub |
PRAZA_18314 | Estamos ante o 'Cabalo de Troia' dos grandes operadores económicos privados dentro da sanidade pública. Baixo a denominación "Marco Operativo Integral" encóbrese a súa natureza contractual. Non estamos ante un proxecto de investigación | O SERGAS a través dos convenios asinados con Medtronic Ibérica S.A. para os hospitais clínicos universitarios de Compostela, Lugo, Vigo e A Coruña fuxiu do dereito administrativo para evitar someterse aos principios xurídicos de libre concorrencia, igualdade de trato e non discriminación, publicidade, legalidade, transparencia e control dos procedementos que inspiran a contratación administrativa, prescindindo así, total e absolutamente, do procedemento legalmente establecido e outorgándolle á multinacional unha posición de vantaxe que está sancionado coa nulidade de pleno dereito polo artigo 32 do Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público vixente no momento da súa formalización. Non resulta doado nun artigo de opinión como este abordar un asunto tan técnico como é a diferenza entre contrato e convenio á luz do ordenamento xurídico español. Non obstante, a magnitude dos convenios asinados merecen un esforzo de divulgación e síntese, especialmente se temos en conta que estamos ante o "Cabalo de Troia" dos grandes operadores económicos privados dentro da sanidade pública. Estamos ante o 'Cabalo de Troia' dos grandes operadores económicos privados dentro da sanidade pública Dúas son as notas esencias que se deben ter en conta á hora de cualificar como contrato ou convenio un negocio xurídico bilateral entre unha administración pública e unha entidade privada. A primeira é o carácter oneroso da actividade. Os convenios con Medtronic formalizáronse no 2016 ao amparo do Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público do ano 2011, que non aclaraba o significado, desde o dereito positivo, do concepto de oneroso, pero que xa estaba sendo definido pola xurisprudencia e a doutrina. A definición foi incorporada no artigo 2.1. da vixente Lei de Contratos do ano 2017, indicando que se entende por oneroso cando o contratista obteña algún beneficio económico, xa sexa de xeito directo ou indirecto. Este último matiz ten unha especial transcendencia para delimitar cal é o ámbito de actuación do convenio. Noutras palabras, cando se poñen en xogo intereses patrimoniais que poden ser obxecto do tráfico mercantil e que non responden exclusivamente á satisfacción dun interese público, estamos ante un contrato e non ante un convenio. A segunda nota definitoria é o obxecto do acto bilateral. Unicamente poden ter a condición de convenio aqueles acordos cuxo obxecto non estea encadrado dentro dos definidos como contratos pola normativa de contratos do sector público. Para determinar en cada caso concreto cal é o instrumento xurídico aplicable, debemos delimitar o obxecto ou finalidade que se pretende conseguir e ver se encaixa dentro dos definidos como contratos administrativos. De ser así, o obxecto estaría prohibido ao convenio e quedaría sometido aos principios da contratación administrativa. Os convenios formalizados polo SERGAS con Medtronic cumpren as condicións anteriores? Estamos, sen dúbida, ante a definición dunha finalidade de carácter patrimonial que constitúe o obxecto do tráfico empresarial e que producirá un beneficio económico indirecto, materializado nun momento posterior a través da maior solvencia técnica e profesional adquirida Para responder esta pregunta hai que analizar o contido do Convenio Marco, e dos Convenios específicos cos seus respectivos anexos. En canto ao carácter oneroso da actividade, aparentemente as partes recollen a confluencia de intereses na realización do seu obxecto, que consiste, segundo o propio texto dos convenios, no desenvolvemento dun "Marco Operativo Integral" para cada unha das áreas de asistencia consideradas. Por unha banda, o SERGAS tería interese público en mellorar os servizos de cardioloxía e de cirurxía xeral e dixestiva dos hospitais clínicos implicados, pola outra, Medtronic pretendería testar nun entorno público a calidade dos seus produtos e sistemas. Nestes termos parecería que actividade non ten carácter oneroso, por canto non se identificaría un beneficio no sentido económico do termo. Non obstante, todos os convenios, cando xustifican a elección da multinacional como a máis idónea para dar cumprimento ao seu obxecto, pretendendo indirectamente motivar a improcedencia da libre concorrencia para elixir o operador económico colaborador, en realidade están definindo inequivocamente os fins pretendidos pola empresa. Nas exposicións de motivos ou nos preámbulos, a multinacional autoproclámase como compañía líder mundial na fabricación de tecnoloxía médica, con experiencia nacional e internacional contrastada, e declara que ten a orientación estratéxica de aumentar a súa oferta en servizos e solucións orientados a unha prestación sanitaria mais eficiente, de tal xeito que o desenvolvemento das actividades obxecto dos convenios fortalecerá a súa posición para ofertar no futuro actuacións de transformación integral a outras unidades clínicas. Estamos, sen dúbida, ante a definición dunha finalidade de carácter patrimonial que constitúe o obxecto do tráfico empresarial e que producirá un beneficio económico indirecto, materializado nun momento posterior a través da maior solvencia técnica e profesional adquirida, da maior fiabilidade contrastada dos produtos que coloca no mercado e de eventuais patentes que se poidan derivar dos traballos. Polo tanto, sen entrar noutras consideracións que se deducen do contido dos anexos dos convenios específicos, que por razóns obvias de espazo non podemos abordar, non cabe dúbida respecto da existencia dunha actividade onerosa no sentido da obtención dun beneficio futuro indirecto. Baixo a denominación "Marco Operativo Integral" encóbrese a súa natureza contractual. Non estamos ante un proxecto de investigación Respecto do obxecto do convenio, identificado baixo a expresión de desenvolvemento do citado "Marco Operativo Integral" para as áreas de cardioloxía e cirurxía xeral e dixestiva, aparentemente estariamos ante un proxecto de I+D que permitiría amparar na Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación a utilización do convenio como instrumento xurídico. En realidade, baixo esta denominación encóbrese a súa natureza contractual. Un marco operativo ten como obxecto a planificación de accións que se deben executar para levar a cabo un proxecto de investigación e que require como elemento previo a formulación dunha hipótese. Ao longo do contido dos convenios non se define hipótese ningunha de traballo que deba ser verificada a través do desenvolvemento das actuacións que se van realizar e, polo tanto, non estamos ante un proxecto de investigación. Ao contrario, cando se definen os eixes sobre os que pivota o marco operativo integral, descríbese como un conxunto de actuacións de análise de recursos humanos e materiais, e de procesos operativos (control de xestión, organización, vías clínicas…) para o desenvolvemento dun modelo de funcionamento sostible das unidades asistenciais, mediante o emprego da metodoloxía Lean Sigma, de uso habitual no sector privado da economía, para acadar unha mellora drástica a través do aumento da velocidade e calidade dos procesos, o incremento da produtividade e a eliminación dos denominados "desperdicios". A fuxida do dereito administrativo resulta clara e patente e, polo tanto, tamén o é a consideración dos convenios como actos nulos de pleno dereito Caen estas actuacións dentro do que constitúe o obxecto do contrato de servizos? O Regulamento (CE) do ano 2008 da Comisión Europea polo que se aproba o vocabulario común dos contratos públicos (CPV) encadra ditas actuacións nos códigos 7941 e 7942 de servizos de consultoría relacionados coa xestión, cuxo contido foi aclarado polas notas explicativas das divisións 50 a 99 relativas aos contratos de servizos. Ditos códigos inclúen prestación de servizos de consultoría en xestión consistentes en tarefas de asesoramento, orientación e asistencia operativa sobre política e estratexia empresarial e de planificación, estruturación e control global de empresas; servizos de consultoría en xestión de recursos humanos, e da produción consistentes en tarefas de asesoramento sobre métodos de aumento da produtividade e redución de custos e servizos de xestión de proxectos. Parece evidente que o obxecto dos convenios formalizados é contractual, e, por conseguinte, o instrumento utilizado para súa consecución vulnera o vixente ordenamento xurídico en materia de contratos administrativos. A fuxida do dereito administrativo resulta clara e patente e, polo tanto, tamén o é a consideración dos convenios como actos nulos de pleno dereito. Para rematar, parece oportuno poñer en contexto este "modus operandi" coa toma de decisións políticas en materia de reforma do sistema público de saúde, na medida en que son indicativas de cales son as bases e orientacións sobre as que se van a mover os futuros plans gobernamentais. No pasado mes de febreiro de 2018 a ex-ministra Dolors Montserrat, entre outros cargos vinculados coa sanidade privada, designou como Vicepresidente do Consello Asesor de Sanidade a Francisco de Paula Rodríguez, director estratéxico de Medtronic. A día de hoxe, este consello non foi obxecto de modificación ningunha. Agora que cada un saque as súas propias conclusións. Compostela, a 16 de outubro de 2018 Publicidade |
NOS_48435 | A quinta entrega das xornadas Noutrén: Feminismo Poscolonial, que organiza a agrupación cultural O Galo, centra esta cuarta feira a atención no 'feminismo transgresor'. A investigadora Daniela Ferrández, presidenta da asociación Amizando e unha das convidadas da sesión, fala con Sermos Galiza sobre as reivindicacións das mulleres trans, do traballo que fai a súa entidade para a súa visibilización ou dos debates que se dan dentro dos feminismos sobre o papel deste colectivo. | O debate dentro dalgúns colectivos feministas sobre a inclusión ou non das mulleres trans está enriba da mesa. Como o enfocan desde Amizando? Para superar certos discursos de odio que se dan dentro dalgún sector do feminismo o primeiro é analizalos, ver de onde veñen. Nós, o que propoñemos é deixar fóra do debate as cuestións máis conceptuais respecto a que as mulleres trans non somos mulleres, porque entendemos que esta é unha idea que vén da carga ideolóxica que recibimos do franquismo e máis atrás. Unha vez que isto queda fóra, estamos abertas a todo tipo de debates que sexan construtivos, onde poidamos formular a nosa posición mais tamén escoitar o que nos din as compañeiras. Cómpre matizar que non entendo eses discursos dos que falabamos como un signo de identidade do feminismo en sentido amplo. Na Galiza, nós, desde Amizando, traballamos no feminismo, estamos nas rúas, nas asembleas, e nunca tivemos estes problemas. Penso que o feminismo non é un ente externo a nós como mulleres trans, polo que non estamos nun diálogo a afrontar por dúas partes que circulan en paralelo, senón un diálogo dentro dunha mesma base . Cara a onde ten que enfocar o seu traballo o feminismo? Cara á construción dun espazo que nos inclúa a todas, que sexa interseccional e que non deixe identidades ou persoas subalternas nas marxes, excluíndoas ou non incluíndoas nos seus propios discursos. O feminismo debe ser unha ferramenta que nos sirva a todas e que non estea restrinxida a unhas características que, segundo quen as estableza, poidan estar determinadas por unha bioloxía máis estrita, ou por temas culturais, ou por etnia, clase… Pretendemos construír unha ferramenta interseccional que nos axude a liberarnos neste mundo patriarcal. E que papel xoga a visibilidade desas distintas identidades? Hoxe en día, no mundo dos medios de comunicación masivos, das grandes redes socias e dos grandes debates, o que non se visibiliza non existe. A nosa visibilidade non só unha ferramenta para amosarlle ao mundo a diversidade que ten, senón que é unha ferramenta para combater as opresións: cando negamos a existencia de mulleres trans, ou negamos as nosas opresións, pechamos a porta a atopar solucións coas que podemos encarar esas opresións. Entón, o primeiro paso é detectar cales son as identidades, despois que opresións sofren e como superalas. E todo iso é imposíbel sen visibilizar a súa existencia. "A visibilidade das mulleres trans non só serve para amosarlle ao mundo a diversidade que ten, é unha ferramenta para combater opresións" Que funcións desenvolve Amizando? Temos, por unha banda, unha función visibilizadora. Imos onde nos chaman a explicar o que se quere saber, participamos en debates, en charlas… Tamén traballarmos para tratar de poñerlle nome ás nosas opresións, para darlles solucións válidas e que dialoguen directamente coa política, porque a política, e as Administracións galegas e estatal, teñen un fondo déficit en canto a dereitos trans. Por outro lado, temos un papel máis asistencial, de acompañar a persoas que foron excluídas polo sistema, ou ás que o estado non escoita, ou que teñen dificultades para desenvolverse en igualdade, unha función que cremos que non debería ser nosa, pero que facemos, para axudar, cos poucos recursos dos que dispoñemos. Cales son as súas exixencias ás Administracións? O que lles exiximos pódese resumir nunha palabra: igualdade. Queremos ser iguais ao resto de cidadás. O que ocorre é que hoxe en día temos un problema que nos impide en todo momento das nosas vidas acceder a esa igualdade, que é a patoloxización. Como afecta esa patoloxización ás súas vidas? A patoloxización significa que para que o estado e as Administracións dean o visto bo á túa condición de persoa trans, e para poder acceder aos recursos limitados cos que estas contan, tes que estar considerada como enferma mental. Isto pasa por un trámite de avaliacións psicolóxicas, cuestionamentos… Cando o noso proceso pasa por unha tutelaxe e por un cuestionamento dos nosos designios, esa tutelaxe esténdese a todas facetas da nosa vida e determina unha situación de subalternidade. Queremos rematar con esa situación de subalternidade e iso pasa por despatoloxizar, que é algo que se está a facer en todo o mundo, como en Portugal ou Arxentina. "Galiza debería sumarse aos territorios que están traballando para despatoloxizar todos os ámbitos da vida, non só o sanitario. Estamos á cola" Cal é a situación no estado español e na Galiza? Varias comunidades seguen ese camiño, pero é a Administración central a que ten que da o paso principal, que é eliminar o requisito do informe de enfermidade mental. Ademais, algunhas comunidades están traballando para despatoloxizar outros ámbitos da vida, máis aló do sanitario, como o eido laboral, social etc. Galiza debería sumarse a este traballo e non o fixo. Está á cola. Eu, que son de Alacant, creo que no País Valencià temos unha das lexislacións trans máis avanzadas do mundo e iso ten os seus efectos. Percibes a diferenza falando coas asociacións, que che contan que desde que os nosos dereitos están regulados e lexislados, o seu papel asistencial vaise reducindo por canto a Administración vaino asumindo, tal e como ten que ser. |
PRAZA_1560 | O Concello coruñés foi o único no que se incrementou o peso do endebedamento por habitante entre 2011 e 2014 e aumentou en 8 millóns as facturas pendentes de pago antes do 24M. Pontevedra mantívose como cidade con menos débeda e Vigo foi a que máis a reduciu. | Consulta a débeda do teu concello Os concellos son, en xeral, as Administracións públicas menos endebedadas e son tamén as que se viron forzadas a realizar un maior esforzo de saneamento económico nos últimos anos. Así e todo, este esforzo foi dispar en función de cada municipio e o mesmo acontece co seu endebedamento. O Ministerio de Facenda vén de facer públicos os datos da débeda municipal do 2014, isto é, do último ano completo antes das eleccións municipais do pasado 24 de maio. As cifras din que, no caso das grandes cidades galegas, A Coruña foi a única que pechou o mandato con máis débeda que ao inicio. O conxunto dos concellos galegos teñen unha débeda viva superior aos 500 millóns de euros, dos que case 240 corresponden ás cidades. A tónica dominante no mandato municipal que vén de rematar foi a do descenso da débeda coa excepción coruñesa, aínda que esa mingua foi máis acusada nuns lugares que na outros. O consistorio que ata o pasado xuño foi presidido polo popular Carlos Negreira pasou de deber 72 millóns de euros en 2011 a 75 en 2014 e mantívose durante todo o período como a cidade máis endebedada do país. Tanto no inicio como no remate do mandato o segundo posto foi para Santiago que, non obstante, pasou de 58 a 42 millóns de débeda. Pontevedra mantívose como a cidade menos endebedada durante todo o mandato e Vigo foi a que máis o reduciu O descenso máis pronunciado no endebedamento urbano foi o de Vigo, que comezou o mandato como cuarta cidade con máis débeda e en 2012 se pasou a ser a terceira, roldando uns 56 millóns de débeda que en 2014 se reduciran ata 22,4, sendo así a segunda urbe en cartos pendentes de devolver. O terceiro posto que antes era para Vigo agora é para Ourense, con 28,5 millóns de débeda na fin do mandato, 20 millóns menos que catros anos atrás. Tamén reduciu a débeda en case 20 millóns o Concello de Lugo, que chegou a 2014 con 23,8 millóns que a convertiron na terceira cidade menos endebedada, posto que antes era para Ferrol, cuxo goberno local apenas reduciu a débeda en 2 millóns dende 2011, ficando en 28,5. Durante todo o mandato a cidade con menos débeda foi Pontevedra, que pasou de 23 a 15 millóns de débeda. Para completar a radiografía da débeda urbana de Galicia resulta tamén ilustrativo coñecer, ademais das magnitudes totais, o peso que este endebedamento ten sobre a poboación, isto é, a ratio de débeda por habitante. Neste caso A Coruña tamén sae mal parada, porque é a única das sete cidades que aumentou este indicador no período analizado, pasando de 295 a 308 euros por habitante. No entanto, a cidade con maior peso da débeda por habitante seguiu sendo Compostela que, non obstante, pasou de 612 a 440 euros. Na banda baixa seguen Pontevedra e Vigo, que tras significativas reducións presentan, respectivamente, 189 e 75 euros de débeda por habitante. As facturas pendentes A débeda viva non é a única carga á que teñen que facer fronte os gobernos municipais no seu novo mandato. Tamén teñen que ter en conta as facturas que ficaron pendentes de pagamento dende o remate do anterior mandato municipal. Como nos anteriores casos, o peor balance é tamén o da Coruña, que nos primeiros meses do ano pasou de 21 a 31 millóns, cun incremento de 8 millóns entre marzo e abril, os últimos dous meses antes das eleccións. O Concello coruñés incrementou en 8 millóns as facturas pendentes de pago no mes anterior ás eleccións Como no caso da débeda, o segundo concello urbano en facturas pendentes de pago a provedores é tamén Santiago, que segundo o Ministerio de Facenda chegou ao pasado abril con 10 millóns en facturas sen pagar, unha cantidade semellante á de Ourense e un chisco por riba da de Lugo, que quedou en 8 millóns. Pontevedra e Vigo, pola súa banda, roldaban nesa altura os 5 millóns pendentes de pago e Ferrol -cuxos datos son publicados por Facenda trimestralmente, por pertencer a un sistema de financiamento diferente- tiña en marzo 2 millóns en facturas por pagar. |
NOS_12114 | Foi un 16% menos que as primarias que decorreron en febreiro do ano pasado. Durante a mañá, o secretario de Organización, Pablo Echenique, dará a coñecer os resultados desde Zaragoza. | Un total de 3.225 inscritos votaron no proceso de primarias que desenvolve Podemos Galiza para elexir os seus novos órganos de dirección, Consello Cidadán, Consello de Garantías e o novo secretario xeral do partido. Isto supón que participaron nas votacións o 15,77% do censo, o que supón, ademais, unha queda do 16% a respeito da mobilización nas votacións das primarias que tiveron lugar vai algo máis dun ano, en febreiro de 2015. Estaban chamados a votar 20.576 afiliados neste proceso, que se desenvolve após a disolución pola dirección estatal dos órganos de dirección de Podemos na Galiza e que afondou na crise interna que se vive neste partido no noso país. Os resultados das primarias van darse a coñecer no mediodía desta terza feira. Faráo Pablo Echenique, secretario de Organización de Podemos, e desde Zaragoza. Pola secreataría xeral desta formación na Caliza competían o primeiro secretario xeral de Podemos Galiza, Breogán Riobóo; a deputada de 'En Marea', Ángela Rodríguez; e Carmen Santos, quen fora a máis votada para o Consello Cidadá nas primarias de 2015. |
NOS_23884 | O sindicato Satse estima que a Administración sanitaria derivará "a doentes a centros externos, aos que pagará 700.000 euros anuais". | O Sindicato de Enfermería (Satse) lamentou hoxe que o Sergas "trate de xustificar a externalización de atención temperá, rehabilitación infantil e logopedia" a entidades privadas na área de Vigo "por falta de profesionais". Así o destacou a través dun comunicado de prensa no que critica que "o Sergas non atope outra opción que asinar concertos con empresas privadas para a atención temperá, rehabilitación infantil e logopedia na área sanitaria de Vigo, e así derivar a pacientes a centros externos aos que pagará 700.000 euros anuais". Para Satse isto implica "dúas cuestións preocupantes". Por unha banda, apunta que "no canto de asumir a responsabilidade de dotar estes servizos con persoal suficiente para cubrir as necesidades dos nenos e nenas da área sanitaria de Vigo con listas de espera de até dous anos, prefiren deixalos en mans de empresas privadas". O Sindicato de Enfermería asegura que non comparte, nin comprende, que o Sergas basee a súa decisión "na falta de profesionais". En canto aos recursos humanos, destaca Satse que "existen profesionais de todas as categorías para cubrir as necesidades da área, mesmo coa especialidade de Atención Temperá nas súas listas de contratación temporal", polo que considera que "é máis unha cuestión de vontade de contratación ou procura activa de profesionais cualificados para cubrir o servizo". "Os recursos materiais para incrementar estes servizos no Sergas serían simplemente o espazo físico con salas e despachos para realizar as sesións e algún material básico de estimulación e rehabilitación que non sería moi custoso", destacou. "Polos datos que se publicaron, o Sergas fala do custo por sesións grupais", sinala Satse, que se pregunta "a que tipo de pacientes refírense". "En atención temperá e rehabilitación infantil non sería posíbel facelas grupais, xa que precisan un tratamento individualizado polas diferentes características e necesidades especiais de cada crianza", puntualiza. "Pensando nos doentes de logopedia adultos tampouco serían factíbeis nin desexábeis sesións grupais, xa que o tratamento de problemas de deglución como disfaxias -ou en caso de afasias ou disfasias tras ictus- necesitan unha rehabilitación específica e individualizada pola súa complexidade, sendo un tratamento grupal inviábel", explica Satse. "Isto supón unha grave discriminación, xa que segundo os principios de Atención Temperá debe ser gratuíta, universal e individualizada. Satse reprocha que "o Sergas estaría a dar por feito que estas terapias especializadas sairíanlle moito máis baratas se fosen externalizadas, cando non tería por que ser así". "En consecuencia, o que pasaría é que os centros que leven o contrato serían aqueles que poidan facer a mellor oferta, paguen o mínimo aos seus traballadores e traballadoras, que estarán menos especializadas, onde se darán poucos minutos de terapia para que o contrato co Sergas sálgalle rendíbel, pero influíndo na baixa calidade da intervención", conclúe. |
NOS_49864 | A multinacional non precisou a cantos traballadores afectará a medida, que tamén adoptará na planta de Avilés. | Alcoa anunciou que vai negociar un depedimento colectivo nas factorías da Coruña e Avilés, as dúas que non atinxiron ningún paquete na subasta de enerxía de hai unha semanas. A multinacional sinalou que non vai agaradr por unha segunda poxa (que hai neste mes) por entender que "deben xestionar a situación existente a data de hoxe". Alcoa non precisou a cantos traballadores afectaría a medida. Na factoría coruñesa hai máis de 400 operarios. A empresa si que no prazo máximo dun mes iniciará un período formal de consultas cos comités de empresa e afirma que está disposta nese tempo a "estudar as oportunidades e opcións concretas". "Desproporción" O comité de empresa na factoría da Coruña cualificou de "desproporcionado" o anuncio e asegura que supón empregar os traballadores como "arma arroxadiza" ante o Ministerio de Industria. Advirten que non están dispostos "a consentir" este tipo de decisión. |
NOS_35311 | Marta Pascal suxire que Puigdemont podería propor un candidato alternativo. | Nunha entrevista en La Vanguardia, a coordenadora do PDeCAT Marta Pascal advoga por formar un Govern estábel e "dentro da legalidade vixente", un apelo que en principio non se axustaría coa hipótese da investidura de Puigdemont, exiliado en Bruxelas e sobre o que pesa unha ameaza de detención se pisa territorio de xuridisción española. O discurso de Pascal abala entre a lexitimidade de Puigdemont -defende a súa investidura e afirma que non hai plano B- e a idea de que é preciso constituír un Executivo blindado ás continxencias xudiciais. A solución a esta lea, deíxao entrever, pasaría por que fose o propio líder de JxCat quen eventualmente propuxese unha candidata ou un candidato alternativos. O que si ten claro Pascal é que non se poden pór en perigo os membros da Mesa do Parlament forzándoos a tramitar resolucións -por exemplo unha investidura telemática de Puigdemont- que eventualmente puidesen ser obxecto de recurso xudicial por parte do Estado. "O liderado de Puigdemont non se pode cuestionar, mais a solución ha de pasar necesariamente polo que di o regulamento en cada momento. Non se pode permitir pór en perigo persoas polas decisións que adopten", dixo. Unha cousa é o PDeCAT e outra distinta, JxCat, a lista do president -formada basicamente por persoas independentes, da confianza directa de Puigdemont- así que non existe ningunha seguranza de que as declaracións de Marta Pascal están previamente pactadas co político de Girona. |
NOS_26229 | A cadea San Luís é a gañadora da segunda edición dos Premio Abertos ao Galego, convocados pola Mesa pola Normalización Lingüística. O acto de entrega terá lugar esta sexta feira 22 de novembro ás 20.30 en Carballo. | A cadea de electrodomésticos San Luís resultou gañadora do Premio Abertos ao Galego, o galardón que a Mesa convoca co fin de dinamizar o uso do galego no ámbito empresarial. A empresa volveu recentemente ás mans do seu primeiro propietario, Lorenzo López, despois de que a multinacional que se fixera coa cadea decidira pechar as tendas de electrodomésticos. "Estamos de volta" foi a mensaxe coa que se promociounou o seu regreso, lenda que agora lembra a MNL: "O xerente e fundador de San Luís nos anos 70, Lorenzo López, fai unha clara aposta pola lingua como elemento fundamental da identidade, o que el entende como parte imprescindíbel da marca da empresa", recoñecen na Mesa pola Normalización que lembran a aposta do propietario polo uso do galego, lingua na que están rotuladas as súas tendas. O xurado do premio valorou o uso da nosa lingua nun sector pouco normalizado alén de ser San Luís unha empresa que demostra que "o uso do galego é un aliado para o mundo socioeconómico". O acto de entrega terá lugar esta sexta feira en Carballo ás 20.30 horas e nel intervirán a actriz Isabel Risco e a cantante Najla Shami. Abertos ao Galego é o proxecto da Mesa que quere dinamizar o galego no mundo empresarial, coa concesión do premio, a elaboración dun catálogo ou a difusión dun catálogo de Nadal das empresas que se adiren á iniciativa. O premio creouse o pasado ano cunha primeira edición na que ese premiou á empresa Tuenti Technologies que desenvolve a rede social máis popular na mocidade. |
PRAZA_13112 | O Espazo Ecosocialista bota a andar este sábado enmarcado na "esquerda nacional renovadora" e coa vista posta na confluencia co "novo proxecto común" | "Como partido, nunca nos presentaremos a unhas eleccións". Tras seis meses de traballos previos o colectivo ata agora coñecido como Ecogaleguistas botará a andar este sábado en Compostela como un novo partido político, o Espazo Ecosocialista. Cunha asemblea na que culminarán o debate e aprobación dos seus textos políticos os ecosocialistas terán, dende a súa propia constitución, a vista posta "na nova forza política que xurda da unión e da cooperación" con outros grupos, a comezar por Máis Galiza e Acción Galega, cos que veñen de pechar un primeiro documento programático. Enmarcados na "esquerda nacional renovadora", os membros do novo partido amósanse "dispostos a avanzar, xa e en breve" cara a un "proceso de fusión orgánica con outros colectivos" sen que "en ningún caso" o resultado sexa "un partido tradicional, en vertical", explica para Praza Pública unha das súas covoceiras, Chus Bóo. "Ten que haber organos directivos pero a participación das bases debe ser real" e, por iso, avanza, os procesos de elección interna se desenvolverán a través de "listas abertas, cunha democracia absoluta". "Queremos atraer xente que non está en ningún partido, que está desafecta da política" Dado que nos seus proxectos non se inclúe a participación directa en eleccións "non lle damos demasiada importancia aos cargos", afirma Bóo. "O importante é a organización, que ten que ser estable" para a partir dela, permitir "o avance das ideas, dos traballos" e "ser un pegamento entre outros grupos que consigamos atraer", especialmente entre aquela "xente que non está en ningún partido", que se enmarca na "desafección da política" pero "ten moito que achegar". Dende esa base tentarán incorporar ao cerne das súas propostas "ideas que os partidos clásicos deixaron de lado" e empregaron "como apéndices ou verniz" das súas iniciativas e programas, caso por exemplo "do ecoloxismo ou da xustiza social". Estas e outras formulacións serán as que estean sobre a mesa nuns actos nos que os ecosocialistas explican que queren ser mostra da súa vocación de "apertura". Por iso na asemblea participarán integrantes doutros colectivos e forzas políticas como Pilar Candocia, Henrique Monteagudo ou Teresa Táboas, así como Lana Rocha, do 15M de Pontevedra e haberá unha quenda para "representnates da esquerda renovadora e verde doutras partes do Estado", como Amaiur e Compromís. Xa na clausura anuncian a presenza de delegacións de Acción Galega, o Encontro Irmandiño e Máis Galiza. |
PRAZA_10328 | Se a "nova cultura política" aseméllase tanto á "vella socialdemocracia" nas súas formas e propostas, quizáis sería prudente cuestionarse se estas son realmente ou non froito dunha conspiradora decisión voluntarista. | Socios preferentes do PSdeG, no que nos detivemos na entrega anterior, En Marea repite a parodia que fora ata a súa disolución en tempo récord AGE. A até hai nada alianza política de Anova, Esquerda Unida e Podemos, finalmente non deu dixerido que o aparello de En Marea acabara "sendo tomado" polos que crían fantoches seus.Posverdades aparte, o certo é que os Luís Villares e os Mario López Rico que agora reciben as rabechas do chamado "sector crítico" de En Marea, foran colocados nese papel protagonista precisamente polos mesmos partidos fundadores aos que remataron por botar da coordinadora nacional. Xa costa abaixo e sen freos, son o exemplo último do relato sobre "os traidores ao espírito orixinal" que permite botar balóns fóra á hora de reformular unhas novas siglas electorais: a "tiránica UPG" cando formaban parte dun BNG do que cumpría excindirse para "mudalo todo" coa esquerda españolista, e os "irrespetuosos coas distintas sensibilidades" Villares e dirixentes de Cerna despois de que gañaran o último plenario de En Marea facendo pública a súa división interna. O conto do nunca acabar oportunista. Coa promesa de non repetir a liorta polo control de cadeiras no Parlamento que fora AGE, En Marea nacía dunha autodeclarada "vontade cidadá" como "a plasmación política nacional do pobo galego". Garantía tal cousa, aseguraban, o abrir as súas listas de candidatas a asembleas cidadás alleas aos acordos entre direccións de partidos coma acontecera con AGE (Anova e EU), conformar a alianza como un "partido instrumental", e o aval fundador das mareas municipalistas "dende abaixo". Naturalmente, nada disto aproximouse nunca a unha realidade moito menos fantasiosa, na que as novas diarias de En Marea eran as declaracións públicas entre rivais do suposto "partido instrumental", no que uns e outros rifaban por teren praza nun órgano de dirección, o control dos cartos que chegaban polas súas representantes nas institucións, ou a quen se enchufaba ou non nun posto. Tampouco tivo nunca moito sustento a tentativa de facer pasar por "asembleas populares fiscalizadoras do traballo nas institucións" o que nunca deixaron de ser pequenas xuntazas protocolarias das diversas militancias que recollou o novo partido. Agardar un resultado diferente partindo de replicar unha experiencia previa na que xa se daban estas mesmas dinámicas de identidade coa institución e as súas formas, só evidencia unha vez máis a hipocresía de quen teima en vender boas intencións no canto de feitos concretos. Mal se poden xustificar dende logo as "boas intencións" de quen, coñecendo perfectamente os límites de gasto municipal aos que se tiñan que axustar segundo a lexislación vixente, prometeron en campaña grandes remunicipalizacións, a paralización dos desafiuzamentos, a mellora do transporte público ou das rendas sociais. A saída das mareas foi, como sabemos, culpar de todo a La Voz de Galicia, o ministro Montoro, o sectarismo do BNG ou ata aos mesmos funcionarios municipais cando non se cumpría nada do prometido e, ainda máis, seguiron a venta en Compostela do Hospital Vello, os enfrontamentos co movemento asociativo coma o CSO A Insumisa na Coruña, ou os desencontros en Ferrol coas viciñas de Santa Mariña e o Ensanche. A cesión a Unidos Podemos do grupo electo de En Marea no Congreso dos Diputados, só foi unha oportunidade máis para anticipar o que viría despois. Co conto de frear a un PP que acabou revalidando a súa maioría absoluta no Parlamento, a "creba democrática" galega rematou dando un bandazo á dereita análogo á española: a idea de que a súa proposta política ten que facerlle regates e convencer o votante de dereita, ao mesmo tempo que non descontenta a súa militancia. Unha esquerda á que lle escandaliza que se repartan carnés, pero que admite sen reparo a economía de mercado dada como único sistema marco capaz de organizar a produción de bens e servizos, do que só cabe solicitar algún edulcorante de Estado de Benestar vago e sen precisar. O xiro lingüístico e crer que o discurso articula a realidade que defende a "Unidade Popular", tráenos a unha situación inverosímil hai só uns anos, na que mesmo se propón abertamente roubarlle a extrema dereita o seu discurso que "conecta co profundo sentir do cidadán de a pé". Exemplo disto son o apoio de Podemos á xestación subrogada, ou a aposta de modelo de estado unionista que comparte con Esquerda Unida "contra todos os nacionalismos", opondo a reivindicación dunha patria española que xa case nin se esforza en disfrazar de "republicana e federal". O asalto aos ceos (do Parlamento) xustificaba e xustifica para Anova todo o camiño percorrido. A escisión da socialdemocracia nacionalista galega con Beiras á cabeza, rematou compartindo mesa e prato co españolismo de esquerda contentándose con tentar forzar certa ambigüidade aos seus novos dirixentes dende o seu estreado status como lobby de opinión do laboratorio político da Complutense. Compañeiros dende o comezo mesmo da travesía, a FPG de Méndez Ferrín ao tempo que se defende "comunista e independentista", non atopa razón de peso ningunha para abandonar a "Unidade Popular" con quen a diario lanza proclamas a manter a unidade territorial do Estado e o respecto á Lei. A súa disolución como partido nas dinámicas institucionais, identificándose como Anova dende a súa mesma fundación, é tal que mesmo xa non resulta un escándalo entre as súas filas que se evitara solicitar dende os seus representantes parlamentarios a retirada do 155 en Cataluña. Valedores dun falso comunismo análogo ao do PCG en EU, a UPG no BNG, ou Anticapitalistas en Podemos, afastado hai xa décadas da teoría marxista sobre o Estado, a revolución e a ditadura do proletariado, para unha "máis realista" vía de pacto e reforma; fan seu o centrismo liberal doutras tradicións da esquerda ignorando, quizáis, que hai unha continuidade entre este e o pensamento máis reaccionario. Que a decadencia do primeiro prepara o terreo do segundo, e que existe unha intrínseca comunión de intereses económicos e políticos entre ambos. A tensión da continuidade-rutura entre o centrismo e a dereita máis reaccionaria (puidérase ler como apuntabamos, "hipocresía e cinismo políticos") ten, mal que lle pese ás defensoras da "rexeneración interna" destas organizacións, unha base material na situación económica xeral. Dende logo, é importante na análise política identificar fenómenos concretos do seu desenrolo: entender as súas propias lóxicas e efectos, non perderse na estrutura, e saber apuntar responsables con nome e apelidos. Mais tamén é importante (e máis ainda, visto o panorama cheo das recurrentes "xustificacións" aludindo a casos individuais illados, etc. que criticabamos hai uns parágrafos) pescudar a que responden, debullar o contexto económico no que xurden. Se a "nova cultura política" aseméllase tanto á "vella socialdemocracia" nas súas formas e propostas, quizáis sería prudente cuestionarse se estas son realmente ou non froito dunha conspiradora decisión voluntarista. Seguindo as teses da columna semanal de Ferrín no Faro de Vigo, haberá quen vexa nesa figura da "conxura traidora" explicación abondo da dexeneración histórica da esquerda revolucionaria, e que polo tanto, non considere necesario extraer lección ningunha: se se considera que o político ten plena autonomía, é lóxico chegar pensar que tales xiros políticos pódense revertir con outro xiro voluntarista de igual forza e sentido contrario. Outro xeito de velo, co marxismo, é comprendermos que estes xiros son en realidade a resposta necesaria dun desenrolo previo máis xeral, e que a superación das continuas frustracións ás que levan, pasará inevitablemente por atender as bases económicas que os sustentan. Non se trata aquí soamente de despexar espexismos, senón de rematar á vez coa roda mesma do "primeiro como traxedia e logo como farsa": comprender a necesidade da revolución fronte ao ciclo keynesianismo-liberalismo da reforma. |
PRAZA_12798 | Moito teño lido estes días en relación e como reacción ao anuncio do goberno das medidas en prol do desmantelamento do sistema sanitario universal actual, porque non falamos doutra cousa que dun desmantelamento, por máis que eles usen a retórica que queiran para chamarlle doutro xeito. Que podo eu engadir? Pouca cousa, de seguro, pero dende a miña condición de beneficiaria e usuaria habitual deste sistema que hoxe pretendese desmantelar quero deixar constancia do meu punto de vista. | Moito teño lido estes días en relación e como reacción ao anuncio do goberno das medidas en prol do desmantelamento do sistema sanitario universal actual, porque non falamos doutra cousa que dun desmantelamento, por máis que eles usen a retórica que queiran para chamarlle doutro xeito. Moitas son as reaccións e análises lúcidas que se publican nas redes sociais e na prensa estes días, tanto dos profesionais da sanidade como de colectivos de cidadáns, sindicatos, partidos da esquerda e demais e case todo está dito e ben dito. Que podo eu engadir? Pouca cousa, de seguro, pero dende a miña condición de beneficiaria e usuaria habitual deste sistema que hoxe pretendese desmantelar quero deixar constancia do meu punto de vista. A miña supervivencia foi paralela ao desenvolvemento progresivo deste sistema e estou convencida que os dous feitos están intimamente ligados Sei que son seropositiva desde 1986, o mesmo ano en que se aprobou a Lei 14/1986, de 25 de abril, General de Sanidad, e sigo tratamento médico desde 1990. Son, polo tanto, unha usuaria veterana do noso sistema sanitario e, ademais, das caras. A miña supervivencia foi paralela ao desenvolvemento progresivo deste sistema e estou convencida que os dous feitos están intimamente ligados. Fun consciente desde o principio do privilexiada que era en relación cos seropositivos doutros lugares do mundo, desde calquera país africano ata os Estados Unidos de América, por ter acceso "gratuíto" tanto á asistencia sanitaria como á farmacéutica. No ano 1990, o Retrovir, único medicamento usado contra a infección por VIH, recollíase nas farmacias cunha receita previamente validada pola inspección médica, trámite do que nos encargabamos os pacientes ou os familiares dos pacientes. Anos despois, coa aparición de novos fármacos e das terapias personalizadas, máis complexas e caras, a medicación pasou a ser dispensada nas farmacias dos hospitais e ata de agora ten funcionado impecablemente. Como o virus da SIDA faise resistente aos tratamentos cunha habilidade que arrepía, os cambios de medicacións son unha práctica habitual e atopar a combinación axeitada para cada un de nós en cada momento non sempre é doado Como o virus da SIDA faise resistente aos tratamentos cunha habilidade que arrepía, os cambios de medicacións son unha práctica habitual e atopar a combinación axeitada para cada un de nós en cada momento non sempre é doado. Teño que dicir que sempre tiven acceso aos fármacos de última xeración, incluso a nivel experimental, previos múltiples e farragosos trámites administrativos que levaban a cabo, xa neste caso, os médicos, para xustificar decisións terapéuticas que inevitablemente constituirían un gasto importante para o fondo económico sobre o que se sostén a nosa sanidade; e cando unha combinación non funcionou, os médicos volta a empezar co papeleo para probar con outra ata dar cos fármacos, coas doses, coas pautas xustas. Así unha e outra vez, moitas durante estes xa longos 20 anos. Explico todo isto para ilustrar a magnitude dun despregamento do que eu fun consciente en todo momento e que en moitas ocasións, nos momentos no que a miña supervivencia estivo máis comprometida, chegou a conmoverme. E é aquí onde quizais si teña algo que dicir. Un sistema sanitario como o noso, universal, baseado na contribución económica solidaria de todos, intervén no só para dar o tratamento médico necesario e curarte, se é posible, senón para combater ese medo, para frealo, para pechar esa fronte e axudar ao paciente a centrar a súa enerxía na súa recuperación A incorporación da enfermidade nunha vida que transcorre con "normalidade", que neste caso correspondería a unha vida onde a saúde está presente, e falando de enfermidade con solemnidade, falando de risco real para a vida, no só comporta a alteración da funcionalidade do noso corpo e, normalmente, da aparición da dor física, se non que, a lo menos na mesma proporción, incorpora a todas estas anomalías o medo, un medo pavoroso que paraliza, que dificulta o discernimento e nos deixa trabados ante unha evidencia da que sempre fuximos: a nosa fraxilidade. E é aí onde un sistema sanitario como o noso, universal, baseado na contribución económica solidaria de todos, intervén no só para dar o tratamento médico necesario e curarte, se é posible, senón para combater ese medo, para frealo, para pechar esa fronte e axudar ao paciente a centrar a súa enerxía na súa recuperación. O feito de gozar de toda unha infraestructura formada por centros de saúde e hospitais dotados de profesionais cualificados (persoal administrativo, de limpeza, de cociña, de enfermería, especialistas médicos…) toda clase de aparellos de última tecnoloxía que se pon en marcha automaticamente cada vez que un de nós ten necesidade, contribúe esencialmente a controlar ese medo porque alimenta a esperanza.. Logo está a relación tan especial que se crea entre médico e paciente que, se é de confianza, está comprobado que incide en positivo en todo o proceso. A famosa gratuidade, da que parece que agora temos que pedir perdón, está realmente sostida pola contribución, vía impostos, de todos nós, pecha a outra fronte que se abre ante unha situación de enfermidade: o económico A famosa gratuidade, da que parece que agora temos que pedir perdón, está realmente sostida pola contribución, vía impostos, de todos nós, pecha a outra fronte que se abre ante unha situación de enfermidade: o económico. Se esa fronte se abre, ao medo e demais dificultades unirase a angustia ante a posibilidade de poder pagar ou non e, de feito, deixaranos fóra do sistema a moitos. É máis, falando de economizar e desa caricatura insultante que fan de nós e coa que se está facendo un discurso perverso no que o cidadán convértese nun usuario compulsivo do sistema sanitario, como se ter caixóns cheos de medicamentos nos fixera sentir como a Golum en posesión do seu prezado anel, ou como se un puidera entrar nun hospital e pedir no mostrador: "póñame unha endoscopia, dúas radiografías, unha por diante e outra por detrás, e de paso un electro, que rematei a prestación de desemprego e teño taquicardias", ou como se as receitas médicas as recolleras nos estancos, pregunto eu: Por que a ministra non promove que nas farmacias dispensen o número ou cantidade exacta que realmente o médico indica na receita correspondente? Se teño que tomar antibióticos tres veces ao día, sete días, ¿por qué na farmacia non me dan só as 21 pastillas receitadas do tal antibiótico? Por que a ministra non promove que nas farmacias dispensen o número ou cantidade exacta que realmente o médico indica na receita correspondente? Se teño que tomar antibióticos tres veces ao día, sete días, por qué na farmacia non me dan só as 21 pastillas receitadas do tal antibiótico? Por que non se fai nas farmacias privadas cando nas farmacias dos hospitais públicos os usuarios recibimos, previa presentación da receita correspondente, a cantidade exacta do fármaco que precisamos para un tempo concreto, sexa cal sexa o formato no que estea dispoñible (pastilla, ampola, xiringa, inhalador…)? Levo anos recollendo mensualmente a medicación que preciso (non a tomo por pracer) tanto os retrovirais como algún outro tratamento máis complexo que precisei puntualmente, e nunca tiven ningún problema. Tanto tempo, tantas pastillas. Rematado o tempo, volta a empezar. Todo controlado e todos contentos. Claro que habería que negociar cos laboratorios e co sector farmacéutico para que os medicamentos non se venderan por caixas se non por doses, pero non sería este proceso máis sinxelo e barato que o elixido no Real-decreto 16/2012, que por certo, ten un título que máis parece unha provocación? Este domingo hai manifestacións en toda Galicia, e en todo o Estado, pola defensa da nosa sanidade. Enchamos as rúas de xente. Loitemos contra esta demolición que será difícil de reconstruír e que compromete, literalmente, a vida, e polo tanto, o futuro O sistema promovido por Ernest Lluch en 1986 e desenvolvido durante todos estes anos ten moitas deficiencias, claro que as ten, pero a súa filosofía básica é a de tecer unha rede que nos sosteña cando, por enfermidade, sexamos, e nos sintamos, máis vulnerables. A iso non podemos renunciar baixo ningún concepto, entre outras cousas, porque por ese transo, e o sabemos, iremos pasando todos antes o despois. Este domingo hai manifestacións en toda Galicia, e en todo o Estado, pola defensa da nosa sanidade. Enchamos as rúas de xente. Loitemos contra esta demolición que será difícil de reconstruír e que compromete, literalmente, a vida, e polo tanto, o futuro. |
NOS_35814 | Os Franco pedirán ao xulgado pospor a entrega do pazo de Meirás ao Estado, fixada inicialmente para o 10 de decembro, e oporanse a que se lles impida sacar bens. | Luis Felipe Utrera-Molina, un dos avogados da familia do ditador, sinalou esta sexta feira que están a preparar un escrito de oposición ás medidas cautelares ditadas pola titular do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, o pasado 9 de novembro, e pola que decretou a realización dun inventario que abarque todos os bens, tanto exteriores como interiores, do inmóbel. A maxistrada fíxoo após estimar a petición do Estado co fin de "preservar a integridade" do pazo antes de que se executase provisionalmente a sentenza que condenou os Franco á devolución do mesmo. Até que o documento non estea finalizado e a xuíza o autorice expresamente, a familia Franco non poderá "trasladar e/ou retirar" ningún tipo de ben do recinto. Contra o auto non cabe recurso, segundo consta no mesmo, pero si existe a posibilidade de presentar un escrito de oposición no prazo dos 20 días seguintes á notificación. "Loxicamente presentarémolo", manifestou o letrado Utrera-Molina en declaracións a Europa Press. Rexeita que, a través da execución provisional da sentenza, se poida expor agora a prohibición á familia Franco de trasladar os bens mentres non conclúa o inventario, un proceso que comezou a pasada cuarta feira. "Ninguén discutiu a titularidade dos bens móbeis", dixo sobre o xuízo que decorreu no Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña sobre a titularidade do pazo. "Eses bens son seus", engadiu en referencia aos Franco. Ademais, argumentou que se o Estado os quere que emprendan "un novo preito", rexeitando que agora porque "se lle esqueceu" -que figurasen na demanda- poida impedirse calquera traslado. Utrera-Molina cuestionou tamén a decisión xudicial e expuxo que en case 30 anos de profesión non viu "nada semellante". Por iso, asegurou que presentarán un escrito de oposición, que están a ultimar porque "hai vaixelas, sabas,... e necesítase un prazo razoábel para facer unha mudanza". A fundación de apoloxía da ditadura continúa coas visitas "O 10 de decembro quedou en papel mollado", sentencia ao demandar un "prazo razoábel" para o traslado de bens, algo que non poderán facer até que o autorice a xuíza, que determinou dar un prazo de 20 días, con posibilidade de ampliar esta data, para que os técnicos realicen un informe sobre os bens existentes. Mentres, desde a Fundación Francisco Franco confirmaron a Europa Press que se manteñen as visitas no inmóbel. "Hoxe están", sinalan sobre as programadas para esta sexta. Ademais, apuntan que a intención é seguir con elas nos distintos horarios estabelecidos. A Xunta non permite levar as estatuas de Abraham e Isaac Por outra banda, a Xunta non autorizou os Franco a trasladar as estatuas do Mestre Mateo do seu actual emprazamento no Pazo de Meirás, solicitado pola familia do ditador, segundo informou na sexta feira a Consellaría de Cultura. O Goberno galego salienta que actúa en base ás medidas cautelares do auto do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña. As estatuas contan coa "máxima protección", ao seren Ben de Interese Cultural, "e isto supón deberes legais para os propietarios, entre eles, a obrigatoriedade de comunicar previamente calquera posíbel traslado". |
NOS_47784 | O secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, aproveita a ocasión para chamar á mobilización en greve xeral do próximo 19 de xuño | No medio dos debates parlamentarios sobre os orzamentos xerais, o secretario xeral da CIG Paulo Carril critica esta "prolongación" de políticas precarizadoras por parte do Estado por seren "antiobreiros, antisociais e antigalegos". Segundo el, os orzamentos "non se axustan ás necesidades reais da maioría social galega" e perpetúan "o modelo neoliberal que ten na reforma laboral, na reforma das pensións, nas privatizacións e recortes na sanidade e no ensino a súa razón de ser". Ante unha situación que define como "dramática", o sindicalista aproveita para chamar á greve xeral, que terá lugar o próximo 19 de xuño, "para impedir que se cronifique o desemprego, a precariedade, a sobreexplotación e a perda de dereitos" que actualmente está a afogar a clase traballadora galega. Galiza, a que menos recibe Carril incide en que estas políticas orzamentarias só "afogan a clase traballadora galega" e denuncia que a partida galega é "a que menos sobe de todas as comunidades autónomas. No resto hai un incremento dos orzamentos territorializados maior que no caso de Galiza". A pesares da "mellora aparente" de 12 millóns, o secretario xeral da CIG aclara que o incremento cuantitativo non é real. "O total do investimento para este ano é do 9% fronte o 10% que houbo en 2017, moi inferior ao que nos corresponde polo peso que temos no Estado español, que ciframos en nunca menos do 12,5%", explica. As pensións máis baixas de todo o Estado O secretario xeral chama atención sobre as pensións galegas, que son inferiores ao salario mínimo e as máis baixas de todo o Estado español. Tamén sinala como agravantes da situación as dificultades para acceder a pensións contributivas, da redución das contías e do progresivo atraso da idade de xubilación. Carril apunta ás reformas de 2011 e 2013 como principais problemas. Segundo o sindicalista, non abonda con incrementar as pensións "uns euros, nin con que ese incremento se articule vía Orzamentos do Estado", senón que sería necesaria "a derrogación" destas reformas e "das políticas económicas e laborais que xeran pobreza e explotación laboral". Máis desemprego, menos gasto social Actualmente, Galiza rexistra 15,8% de desemprego. Desde a CIG denuncian o "menor gasto social" que se destina ás persoas desempregadas sen prestación nun momento no que este colectivo está a medrar. Paulo Carril apunta que a nova "Renda Complementaria Asistencial" é unha emenda do PP "coa que pretende darlle realidade a esa cruel nova reforma das prestacións". Unha reforma, acusa, que supón "un novo recorte ao sistema de protección por desemprego do Goberno de Mariano Raxoi", que integra as prestacións asistenciais -de competencia autonómica- na Seguridade Social co fin de reducir o tempo de percepción e a contía do subsidio. 28 anos para que o persoal público recupere o poder adquisitivo Por último, Carril fai referencia ao "acordo de estabilidade" asinado por CCOO, UGT e CSIF Subliña co Partido Popular que "desvincula os salarios do persoal das administracións públicas do IPC". Este pacto supón "que o persoal das administracións públicas tarden 28 anos en recuperar o que foi recortado nos últimos oito", e até 2020 só será posible recobrar o 0,48% anual do poder adquisitivo perdido. "Hai máis razóns que nunca para mobilizarse e ir a unha greve xeral", conclúe Paulo Carril. |
NOS_31662 | Perto de 200 persoas participaron na concentración para apoiar as peticións da familia. | A familia do biólogo grancanario Francisco Manuel Navarro, unha das persoas desaparecidas do pesqueiro 'Vila de Pitanxo' que naufragou a 450 quilómetros ao leste de Terranova (Canadá), reclamou este onte que se reinicie a procura da tripulación para que poidan ter unha "sepultura digna". Así o puxo de manifesto a irmá do desaparecido, Mónica Navarro, en declaracións aos medios de comunicación durante unha concentración que tivo lugar ante a Delegación do Goberno en Canarias baixo o lema 'Canarias quérete de volta' e que reuniu ao redor de 200 persoas. "Desde Canarias pedimos ao Goberno central que, por favor, reactive a procura para recuperar os corpos de todos os desaparecidos do 'Villa de Pitanxo' e poder darlles unha sepultura digna", declarou. Cuestionada sobre se o Executivo central se puxo en contacto con eles, explicou que tiveron varias reunións coas familias galegas e que a súa familia non puido participar pola distancia do arquipélago. "Eles (en relación ás familias galegas) desde alá fan a loita aínda máis intensa porque están máis próximos", sinalou para agregar que a información que lle chegou é que o Goberno sinala que os robots cos que se conta para este tipo de tarefas non chegan ás profundidades nas que se atopa o pesqueiro. Neste sentido, Mónica Navarro comentou que desde o Estado está a contactar con empresas doutros países que teñan medios que alcancen estas profundidades. "A esperanza é o último que se perde e, polo seu posto, queremos recuperar o corpo do meu irmán e darlle unha sepultura digna", concluíu. A familia agradece o apoio recibido Pola súa banda, na concentración procedeuse á lectura dun manifesto por parte da sobriña de Manuel Navarro, Judith Santana Navarro, quen agradeceu o apoio recibido por parte da sociedade desde que se coñecese o naufraxio. Na familia, esperan que esta traxedia poida supoñer un antes e un despois na vida de moitos mariñeiros, que marchan sen saber de certo se voltarán aos seus fogares no caso de que as condicións de seguridade fallen. "Sei que moitos de vostedes non coñecían o meu tío --sinalou aos asistentes--. Era unha persoa á que lle gustaba investir o seu tempo nas persoas que quería, como os seus pais, irmás e, sobre todo, os seus sobriños, ademais dos seus amigos". Finalmente, concluíu que Manuel Navarro, era unha persoa disposta a axudar calquera que tivese en fronte, fose quen for. "Todos o botamos de menos e queremos que regrese á súa illa amada", dixo. |
PRAZA_14699 | A organización ecoloxista fai balance da que considera a "lexislatura máis nefasta para o medio ambiente desde a era Fraga" e lembra á cidadanía que "a natureza aldraxada de Galicia" non vota. "Faino ti por ela", pide. | A asociación ecoloxista Adega fai balance dos catro anos de Goberno Feijóo, que cualifica como "a lexislatura máis nefasta para o ambiente dende a era Fraga". Segundo o colectivo, "os recortes nos dereitos sociais foron parellos a un retroceso sen precedentes nas políticas ambientais", asegura, tras denunciar con dureza "o desartellamento territorial, a deconstrución da lexislación ambiental, a amnistía para o ladrillazo, así como a especulación cos recursos naturais, cos montes, co litoral, cos espazos protexidos e cos residuos". Do mesmo xeito, censuran "o exterminio planificado da nosa biodiversidade, a corrupción e a barra libre de chumbo para a fauna". Adega acusa a Xunta dun "exterminio planificado da nosa biodiversidade, a corrupción e a barra libre de chumbo para a fauna" O balance que fai Adega é pésimo para a Xunta de Galicia, á que acusa de "voltar ás políticas más rancias e insustentábeis", xa descoñecidas en Europa "e máis propias da época franquista que dun país democrático". Por todo isto, a organización ecoloxista lembra aos cidadáns que o vindeiro día 21 "o noso medio ambiente, a nosa natureza previlexiada pero aldraxada, non vota por ti". "Faino ti por ela", reclama o colectivo, que non pide o voto para ningunha formación pero deixa clara o seu rexeitamento ao PP. "Procederemos a comunicarlle a Feijóo o seu despido o domingo por causas máis que xustificadas" Adega asegura tamén que quere "tomarlle a palabra ao señor Feijóo" cando na campaña de 2009 subscribira o seu Contrato con Galicia no que nun dos puntos prometía "ligar a política territorial ao medio ambiente e facer do respecto medioambiental un principio irrenunciable". A organización ecoloxista considera que tres anos despois o presidente da Xunta "non cumpriu cos obxectivos do seu contrato", polo que procederán a "comunicarlle o seu despedimento" o vindeiro domingo "por causas máis que xustificadas". Ademais, Adega fai un repaso a distintos ámbitos para deitar luz sobre a situación medioambiental en Galicia logo do paso de Núñez Feijóo pola Xunta. Territorio e urbanismo: Para a organización ecoloxixta, houbo "unha malversación de toda a costa" e estaca o caso Barreiros como exemplo da "demolición controlada pola Xunta dun marco legal (a Lei do Solo) que puña algún límite ao todo vale, ao renunciar aos contenciosos e desviar cartos públicos para favorecer aos amos do ladrillo e aos seus testaferros políticos". Para Adega, esta dervia "deixou baleira de contido toda a lexislación urbanística previa, substituíndoa pola arbitrariedade e a discrecionalidade". Pero hai máis: "modificacións á carta da Lei do Solo, eliminación de molestos trámites ambientais e como colofón, unha Lei de Industria que permitirá aos especuladores internacionais inundar de cianuro os nosos espazos protexidos á procura do ouro suxo e á Xunta inxectarlles a dedo cantos fondos públicos precisen". "Houbo unha malversación de toda a costa e unha nova aposta pola incineración, un pesadelo que non cesa" Residuos: "A incineración é un pesadelo que non cesa", denuncia Adega, que lembra que o Plano de Residuos do PP "traía debaixo do brazo máis incineración" e recorda que tivo que pasar case un ano para coñecer a ubicación para a nova planta incineradora prevista no Irixo, logo de que o Goberno "atendese primeiro o interese político da dereita para esquicar posíbeis repercusións electorais". "Feijóo e Hernández pretendían reproducir no sur o fracaso de Sogama, un modelo caduco, ruinoso para os concellos, insolidario coa cidadanía e perigoso para a saúde e o ambiente", denuncian. "Para desgraza nosa o dinosauro de Sogama segue aí", engaden. Montes: "Máis lume, especulación e máis eucaliptos", resume o colectivo, que asegura que o obxectivo da especulación capitalista era claro: "penetrar nos nosos montes e afortalarse no mundo rural". "O instrumento: os seus factótums políticos na Xunta e no sector forestal e pasteiro; o veículo: a castración da lei de Defensa contra os incendios e a nova Lei de Montes que veu a luz in extremis nesta lexislatura", di Adega, que denuncia que os lumes arrasaron case 17.000 hectáreas só en espazos protexidos, o que supón "un récord histórico". "Estes lumes teñen claros cooperadores necesarios por acción ou omisión dende as institucións", insiste a organización, que pon o foco tamén sobre "o intento da partronal pasteira e agroquímica de recolonizar os nosos montes con millóns de eucaliptos transxénicos, agasallados coa fumigación masiva cun pesticida prohibido, mentres a Xunta, dilixentemente, mira para outro lado". "Os lumes teñen claros cooperadores necesarios por acción ou omisión dende as institucións" Enerxía: "Antes euros sen muíños que muíños sen euros", denuncia Adega, que destaca "o comportamento suicida e oneroso para as arcas públicas que supuxo a anulación do anterior concurso eólico, perfectamente legal segundo sentenciou o TSXG" e ao que se uniu a retirada das primas públicas a renovábeis por parte do "goberno amigo" do Estado. "O concurso eólico do PP foi concebido para camuflar a enaxenación dos nosos recursos naturais aos tabeiróns da especulación enerxética, alén de levar como un parásito apegado á incineradora do sur; era un negocio redondo: privatizar dun golpe o vento e os refugallos, até que a crise e Rajoy devolveron a Feijóo á realidade e os especuladores fóronse co vento". Litoral: "Que non falten rodaballos e salmóns con antibióticos", resume a organización, que denuncia o Plano Director de Acuicultura, que deu por boas as polémicas ubicacións ditadas polo bipartito. "As piscifaactorías poderán ir onde diga a consellería, pero vale dicir Pescanova", di Adega, que cre que a Xunta "deixou claro de que lado estaba: do da macroacuicultura industrial, a que pretende convertir o noso litoral nun inmenso polígono industrial para lucro das multinacionais do peixe con antibióticos, ao estilo do acontecido en Chile". Ríos: "Os ríos para quen poida pagar por eles; as rías, para os contaminadores", di Adega, que asegura que "tanto Iberdrola como Fenosa sabían que non ían ter ningún problema para levar adiante os seus proxectos hidroeléctricos no país", mesmo "desecando por completo un río durante meses en plena Rede Natura ou agasallando con tres anos con voaduras e millóns de toneladas de entullo aos canóns do Sil". Ademais, para o colectivo, o novo Plano Hidrolóxico "antepón o aproveitamento hidroeléctrico aos usos ecosociais, mentres o Goberno dá "bula para que Endesa e Fenosa enchufen as súas balsas mineiras das Pontes e Meirama á Rede Natura" e permite que Ence siga contaminando a ría de Pontevedra por moitos anos máis. "Iberdrola e Fenosa sabían que non ían ter ningún problema para levar adiante os seus proxectos hidroeléctricos no país" Rede Natura: "O PP acabou apresentando unha proposta misérrima que fai que Galiza siga á cola do estado", denuncia Adega, que recorda que Feijóo propuxo unha ampliación do 12% actual ao 15%, lonxe da media estatal (28%) e da Rede Natura nas autonomías veciñas. Educación Ambiental: "A situación é catastrófica", asegura o colectivo, que destaca que as iniciativas do Goberno galego para a promoción da educació ambiental "son case inexistentes" e lembra que a Xunta ofertou no que vai de ano "nada menos que 28 cursos de aplicador/manipulador de biocidas por dous cursos de prevención e loita contra os lumes; un de ruído ambiental e outro de "manexo básico da motoserra". |
NOS_29896 | "Na práctica é un seguidor dese centralismo que só mira para Madrid, Madrid, Madrid", dixo. | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou este sábado que Galiza sexa "simplemente un slogan" para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, quen vén de ser reelixido como líder do PPdeG nun Congreso decorrido en Compostela baixo o lema "Un camiño por percorrer", e no que era o único candidato. Neste senso, Pontón cuestionou se ese "camiño por percorrer" é "o que leva ao centralismo madrileño de Ayuso e Casado", ou o que conduce o PP "a estar cada vez máis perto desa extrema dereita machista, racista, xenófoba e antigalega" de Vox, coa que "pactan sempre que o precisan". Para a líder nacionalista, o PP "representa o pasado" do país fronte a un BNG que é a "alternativa real" e o "futuro". Todo isto manifestouno durante un acto político celebrdo en Cervo, no marco da campaña do Bloque para presentar os actos de celebración do Día da Patria, que este ano terá a "emoción especial" dos reencontros após 15 meses de pandemia. Cuestión de prioridades Para Ana Pontón, a prioridade de Feixoo debería ser "sacar Galiza da crise e dar unha oportunidade á xente nova para que non teña que coller as maletas como fixeron os seus avós". "Debería estar centrado en reforzar a sanidade pública e en pór en marcha outro modelo de coidados que non fixese negocio coa vellez", engadiu. "Do que tería que estar pendente o señor presidente da Xunta é de como xerar oportunidades económicas no país, como impulsar a ciencia e a investigación e como defender, en definitiva, os intereses da Galiza", sentenciou a portavoz do BNG. Con todo, lamentou que, para Feixoo, "Galiza, Galiza, Galiza é só un slogan", porque na práctica "é un seguidor dese centralismo que só mira para Madrid, Madrid, Madrid". |
NOS_995 | Unha escolma de autoras e autores galegos figuran no catálogo do portal internacional de poesía Asymptoe. | Escritoras recoñecidas como Chus Pato, Luz Pozo ou Manuel Rivas conforman unha selección de autoras e autores galegos entre os que tamén figuran algunhas voces máis novas da literatura galega. É o caso de Ismael Ramos, Alba Cid ou Lara Dopazo. As súas obras, traducidas ao inglés, pódense consultar no portal internacional de poesía Asymptote, coa colaboración do Consello da Cultura Galega. Galician Poetry Feature Baixo a etiqueta Galician Poetry Feature e a coordinación do tradutor Jacob Rogers, a entidade cultural destaca que coa achega destas escritoras o sitio web "ofrece una mostra ampla de temas, contidos e estilos que amosan a riqueza" da poesía galega. O Consello da Cultura salienta, ademais, que Asymptote é un dos espazos en liña "de referencia mundial" da literatura de tradución, nun momento de incremento da lectura en soportes dixitais. Trátase dun escaparate mundial de novas traducións que conta con cinco millóns de seguidores. Desde su creación, en 2011, a web recompila obras de 121 países en 103 idiomas diferentes. Na mesma plataforma, á escolma das escritoras galegas súmase tamén a tradución ao inglés dos poemas de autores como Kathleen March, Erin Moure, Jonathan Dunne ou o propio Jacob Rogers. |
NOS_34421 | O activista e labrego de Lanzac estivo en Galiza para apoiar a candidatura de Ana Miranda e participar na manifestación da CIG do 1º de maio. "Defendemos a nosa terra, a nosa casa e non podemos deixar que nola rouben". | Jose Bové veu até Galiza cun obxectivo: apoiar a candidatura de Ana Miranda (BNG) para as eleccións europeas. Mais tivo tempo de visitar na Estrada unha granxa ecolóxica, de participar en Vigo na manifestación da CIG polo 1º de maio e de se reunir en Compostela con representantes de diferentes colectivos. Bové é un dos rostros coñecidos do movemento contra a globalización e polo desenvolvemento sostíbel. En Vigo afirmou que as axudas á banca e os recortes tan só xeraron pobreza e desemprego, aliás de apostar por "repensar desde cero" o actual modelo económico, "desfasado". Defendeu unha Europa social e dos pobos fronte o modelo actual, e por iso avogou pola alternativa que representa Ana Miranda, coa que partillou traballo e experiencia no grupo ALE-Os Verdes. Bové foi contundente na denuncia do actual modelo de Europa marcada pola políticas que impón á Troika "que nos leva á catástrofe mediante a aplicación dun modelo neoliberal, no que os cidadáns máis pobres sonos que pagan a crise causada pola banca e o ladrillo", salientou. Contra os pobres "A austeridade é unha resposta política dos Estados á crise provocada pola banca co obxectivo de rescatar a esta banca a costa de reducir os orzamentos sociais, en sanidade, pensións e todo iso acompañado dun aumento do desemprego. Incluso os economistas do FMI admiten que non é a solución", denunciou. O campesiño de Lazarc advertiu: "A xente está indignada, rebélase porque ve como lle quitan o pouco que teñen mentres unha minoría se enriquece impunemente", dixo, e lamentou que "non haxa tribunais que xulguen aos xefes de Estado que permiten que isto pase". Experiencia e compromiso Pola súa banda, Miranda salientou o compromiso e o traballo de Jose Bové: "Xuntos combatemos os lobbies en Europa, e un gran experto, acaba de publicar un libro no que demostra como señores como Arias Cañete, candidato do PP, son capaces de facer lobbie en Bruxelas coas súas empresas e cos terratenentes e apoiar un modelo agrario e social europeo que nós combatemos", explica Miranda. |
PRAZA_9585 | As explicacións ofrecidas polo Concello non resultaron "satisfactorias" para a Oficina do Censo, que abriu a porta a que os partidos impugnasen o censo de Rábade, como vén de facer o PSdeG | Nos primeiros días de marzo, tras a convocatoria oficial das eleccións xerais do 28 de abril, a Oficina do Censo Electoral (OCE) fixo públicos os municipios que fixeron saltar as alarmas ao rexistraren incrementos no seu número de potenciais votantes que superan os limiares que a autoridade electoral considera "sospeitosos". No municipio lucense, de apenas 1.500 habitantes, a alerta saltou porque un incremento dunha vintena de persoas no censo nos últimos seis meses.As explicacións ofrecidas polo Concello non resultaron "satisfactorias" para a Oficina do Censo, que abriu a porta a que os partidos impugnasen o censo de Rábade, como vén de facer o PSdeGAntes de facer pública esta relación de concellos, 59 en todo o Estado, a OCE diríxese a cadanseus gobernos municipais para "verificar" que as altas "sospeitosas" se corresponden, efectivamente, con veciñanza que reside no municipio. No caso rabadense, o goberno local abriu os "expedientes" correspondente pero o seu resultado non foi "satisfactorio". Por iso ficou na lista, que abre legalmente a porta a que os partidos políticos impugnen o censo, o cal xa vén de facer o PSdeG.A secretaria de organización provincial dos socialista de Lugo, Mar Iglesias, tramitou o recurso tras constatar a OCE que o Concello de Rábade, gobernado por unha formación independente, "non xustificou satisfactoriamente" o incremento do censo. "Diante desta situación de aumento de altas sospeitosas, dende o Partido Socialista rexistramos a impugnación do censo" co "obxectivo de salvagardar un proceso democrático fundamental e defender a súa transparencia", resume.A formación independente que goberna no Concello rabadense tamén prevé impugnar o censo nas municipaisAs explicacións do goberno municipal de Rábade non convenceron a Oficina do Censo, pero o certo é que o resultado das xestións tampouco acougaron os propios responsables do consistorio. Non en van, o seu alcalde, Francisco Fernández Montes, confirmaba en declaracións ao diario El Progreso que a súa formación, Independentes por Rábade, tamén vai impugnar o censo. Non o pode facer para as eleccións xerais, ás que non concorre, pero si prevé facer coa vista posta nas municipais de maio."Impugnaremos o censo polas alteracións" tras culminar os "expedientes" xa remitidos á Oficina do Censo, sinalou Fernández Montes, quen non obstante declinou concretar se no consistorio existen sospeitas sobre a causa do incremento. O Concello, aclarou, debe respectar "garantías" como a privacidade da veciñanza que lle impiden dar máis detalles ao respecto. |
NOS_43160 | O paso de maquinaria pesada afectou os muros de pedra que delimitan as corredoiras neste emblemático lugar epicentro de lendas e contos populares, que protagonizou desde un dos contos do 'Cousas' de Castelao até programas de misterio de Iker Jiménez. | "Unha nova tala volve a danar a 'Aldea Maldita de Abuín' e a súa contorna. A vella aldea, que protagonizou o relato 'Camiño esquecido' de Castelao, segue sendo noticia polas afeccións que sofre no canto de polos valores patrimoniais, antropolóxicos e etnolóxicos que garda". A través dun chío nas redes sociais o arqueólogo rianxeiro Julián Bustelo, concelleiro de Rianxo en Común e colaborador de Sermos Galiza; denunciaba como unha nova tala de eucaliptos danaba este emblemático lugar. Nesta ocasión, afectando muros de pedra das corredoiras. En febreiro do ano pasado unha tala danou dúas das cinco construcións que ficaban na coñecida como 'Aldea Maldita' de Abuín, un lugar da parroquia rianxeira de Leiro, deshabitada desde hai moito tempo e epicentro de non poucas lendas e contos populares que mesmo sobrepasaron as fronteiras da Galiza. "Este lugar acolle numerosas lendas que explican o seu despoboamento. Aínda que a máis probábel fose a chegada dunha epidemia ou praga que decimase a poboación, tamén se fala dun ataque por parte dos viquingos. Pero a lenda que ten máis peso fala dunha maldición por causa do tesouro que os veciños roubaran no mosteiro da Armenteira e que despois lle deron ao cura para que o escondese. O cura morreu esa mesma noite e, pouco despois, foron detrás numerosos veciños. Aínda que intentaron recuperar o tesouro para devolvelo ao mosteiro, e así librarse da maldición, nunca máis foi localizado e os poucos que sobreviviron decidiron fuxir do lugar. Contan que o tesouro está soterrado baixo unha das casas que aínda conserva parte da súa estrutura e que antigamente fora a capela", recóllese no portal Patrimoniogalego.net. Castelao, rianxeiro, recolleu no relato 'Camiño esquecido' do libro 'Cousas': "Aquela "verea vella" turraba por min e, cando me fixen home, arrisqueime a pasala. E máis alá da medoñenta congostra topeime cunha aldea sen xente". Até Iker Jiménez, xornalista especializado no 'paranormal', ten dedicado programas a este lugar da parroquia de Leiro, non sempre acertadamente ("Ata o pobre topónimo está maldito, seica. Segundo o programa do Rigoroso Íker, Abuín é un "nombre de mal agüero" (!!)" afirmaba Manuel Gago, dixulgador do patrimonio, no seu blog) |
NOS_8802 | O presidente do Goberno español opta de novo por deixar correr as crises e adiou posíbeis cambios que eran moi esperados no PP galego e dos que o seu líder estatal non falou na Executiva estatal que abría o curso, na que Feijóo pediu unha sentenza rápida sobre o caso Bárcenas. | Pasou Rajoy todo o verán analizando a posibilidade de acometer importantes cambios no seu equipo de goberno ou na cúpula do PP, para así obter pulo político de cara ao curso que comeza e que se presume moi complicado para a formación popular, en plena desfeita económica e acurralada polo caso Bárcenas, entre outros problemas. Porén, e malia que se esperaba que a Executiva convocada polo líder do PP para este luns servise para poñer en marcha esa renovación -que era agardada con moito interese pol@s populares galeg@s, sobre todo por Feijóo- finalmente Rajoy preferiu seguir fiel ao seu estilo de deixar correr os asuntos máis importantes coa esperanza de que desaparezan da axenda e non aproveitou a xuntanza da dirección do seu partido para acometer mudanzas. Limitouse Rajoy a teimar no que vai ser o seu discurso central deste exercicio, o dunhas supostas melloras económicas. De Bárcenas, pouco. A negación. "Diso xa está dito todo o que se tiña que dicir", asegurou a porta pechada. Así o pensa tamén Feijóo, agora directamente sinalado polo caso e que declarou ás portas de Xénova que "toca que fale a Xustiza", cuxo funcionamento criticou de xeito velado ao apuntar "que xa van varios meses escoitando as partes e agora xa é tempo dunha decisión inapelábel". Porén, non é descartábel que o xuíz Ruz -que está a ser moi criticado por un instrución que permitiu o borrado de discos duros fundamentais- chame a declarar ao que era tesoureiro do PPdeG en 2006, xa con Feijóo como presidente da formación, o que poría o foco aínda máis na trama galega do caso Bárcenas. |
NOS_10573 | A cidade de Pontevedra volverá ser esta fin de semana escenario por segunda vez do Trofeo Xacobeo 2022 de Piragüísmo. Ademais reunirá en outubro as e os mellores deportistas de loita olímpica. | As augas do río Lérez, ao seu paso pola cidade de Pontevedra, e o encoro de Verducido acollerán o vindeiro 11 de setembro o II Trofeo Xacobeo 2022 de Piragüísmo. A proba reunirá de novo deportistas da Galiza, Portugal e tamén doutros lugares da península con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos. Baño de medallas para Galiza no mundial de piragüismo Na presentación deste evento, realizada no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), participaron representantes de varias Administracións (Xunta da Galiza, Deputación de Pontevedra e Concello de Pontevedra) ademais de responsábeis da Federación Portuguesa de Piragüismo, Real Federación Española de Piragüismo e a Federación Galega. Apadriñando estas probas en augas pontevedresas estiveron na presentación Tono Campos, Tania Álvarez e Diego Romero. Desde a organización do trofeo de piragüismo informaron que para este domingo teñen inscritas máis de 1.500 padeeiras e padeeiros. No horario previsto, as distintitas regatas comezarán o sábado ás 10.30 horas para a categoría infantil, mentres que os prebenxamíns, benxamíns e alevíns farano ás 15.30 horas no río Lérez. Pola contra, a categoría cadete competirá ese mesmo día en Verducido tamén pola tarde. A Galiza, a polo récord de medallas no Mundial de Piragüismo Esprinte de Edmonton Loita olímpica en Pontevedra A cidade de Pontevedra tamén contará cun importante evento deportivo en outubro. Nese mes albergará, entre os días 10 e 23, os campionatos do mundo de Grappling Ji, Grappling sub 17, sub 20 e absoluto e do mundial sub 23 de loitas olímpicas, que engloba as disciplinas de loita grecorromana, loita libre feminina e loita libre masculina. Serán un total de sete campionatos do mundo que traerán até a capital das Rías Baixas 1.100 deportistas de 80 países. |
PRAZA_15631 | Salvemos Cabana fai unha análise global da evolución nos últimos meses dos distintos conflitos socioambientais relacionados co sector extractivo en Galicia, nomeadamente o de Corcoesto | Logo da cancelación definitiva do proxecto aurífero de Corcoesto, o anuncio de demanda por parte de Edgewater Exploration contra o Goberno de España e o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Executivo contra as reformas introducidas na Lei autonómica 3/2008, de Ordenación da Minería de Galicia a partir da Lei 12/2014 de Medidas Fiscais e Administrativas propugnadas pola Xunta, son os factores que pechan un 2015 no que a cuestionada proposta extractiva estivo de fondo en todo momento. UNHA LEI PARA GARANTIR A CANCELACIÓN DOS DEREITOS MINEIROS EN CORCOESTO Cecilia Malmström anunciou un novo revés para a compañía, ao confirmar que a transnacional en ningún caso podía invocar o CETA para impugnar a decisión administrativa de cancelación do proxecto A finais de 2014, a entrada en vigor da Lei 12/2014 do 22 de decembro, de Medidas Fiscais e Administrativas e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, levaba de facto para Edgewater a perda dos seus dereitos mineiros en Cabana de Bergantiños, ao sinalar que "o incumprimento dos requisitos subxectivos ou a insuficiente acreditación da solvencia económica ou técnica do solicitante" implicaban "a cancelación da inscrición correspondente no Rexistro Mineiro de Galicia". Foi así como chegou a anunciarse o momentáneo punto e final dun conflito que comezara en 2012. A VÍA EUROPEA, PECHADA PARA EDGEWATER En xaneiro, poucos días despois, foi a Comisaria Europea de Comercio Exterior, Cecilia Malmström, a que anunciou un novo revés para a compañía, ao confirmar que a transnacional en ningún caso podía invocar o Acordo Económico e Comercial Global (CETA, polas súas siglas en inglés), para impugnar a decisión administrativa de cancelación do proxecto. A resposta deuse en referencia a unha pregunta efectuada desde o grupo GUE/NGL sobre o presunto dereito a indemnización da mineira, verificando a consulta efectuada en setembro de 2014 por Salvemos Cabana a instancias europeas sobre este particular, resolvendo finalmente que ningunha empresa canadense pode invocar de momento o CETA nin presentar reclamación patrimonial algunha ao atoparse o texto en fase de negociación. "En calquera caso -sinalou Malmström-, os acordos de libre comercio, incluído o AECG, non modifican o dereito dos Estados membros a perseguir os seus obxectivos lexítimos de política pública, incluída a fixación de normas de protección ambiental. O AECG deixa claro que a UE e Canadá manteñen o seu dereito para lexislar para alcanzar obxectivos lexítimos en materias como a saúde pública, a seguridade, o medio ambiente, a moral pública e a promoción e protección da diversidade cultural. Isto significa que un investidor non pode recibir unha compensación por lucro cesante, perda de beneficios ou custos sufridos". SACYR, NOVO ACTOR NO TABOLEIRO DE XOGO Tamén en xaneiro foi o coñecemento do desembarco da multinacional española Sacyr o que caldeou os ánimos na Comarca de Bergantiños Tamén en xaneiro foi o coñecemento do desembarco da multinacional española Sacyr o que caldeou os ánimos na Comarca de Bergantiños, ao anunciar esta a firma dun acordo entre a súa filial Valoriza Minería e o grupo Macquarie Capital, recoñecendo tácitamente a pretensión de acumular dereitos mineiros por toda a Península Ibérica e a reapertura de vellos filóns de ouro e outros metais, apostando de facto por proxectos de megaminería en zonas como Galicia, Estremadura, Castela-A Mancha e Andalucía, chegando mesmo a acudir en caso necesario "a mercados internacionais e investidores privados", e fomentando na práctica proxectos de índole meramente especulativo, sen dúbida un factor de risco para o desenvolvemento de novos conflitos socioambientais ao estilo do acontecido na Costa da Morte. CHAMADA DE ATENCIÓN Á XUNTA DENDE A OFICINA DO DEFENSOR DEL PUEBLO En febreiro, foi a actual Defensora do Pobo, Soidade Becerril, a que se fixo eco no seu informe presentado ás Cortes Generales da denuncia presentada por Salvemos Cabana ao organismo sobre as deficiencias de seguridade e restauración na mina coruñesa de cobre e ouro de Touro. O equipo de Becerril solicitou entón unha aclaración á Xunta, á vista das probas presentadas, sobre "as medidas previstas para evitar a contaminación das augas por escorrentía así como as verteduras ou depósitos irregulares" para proceder á mellora da seguridade na contorna mineira "a través de novos valados, canalizacións ou sistemas de depuración". O sucedido en Touro mostra, en definitiva, o escaso compromiso das actuais autoridades da Xunta coa fiscalización do sector extractivo a nivel galego. A Lei 3/2008 do 23 de maio, de Ordenación da Minería de Galicia indica no seu artigo 46.1 que "corresponde á Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de minas, realizar as comprobacións necesarias" así como garantir "o cumprimento da normativa mineira aplicable" e a adopción de medidas cautelares. O sucedido en Touro mostra, en definitiva, o escaso compromiso das actuais autoridades da Xunta coa fiscalización do sector extractivo a nivel galego Normativas europeas esenciais, como a Directiva Marco da auga (2000/60/CE) afirman a importancia de "unha maior protección e mellora do medio acuático" mediante "a supresión de verteduras e sustancias perigosas e un bo estado químico do recurso hídrico". Na mesma liña, a Directiva 2004/35/CE, de Responsabilidade Ambiental, busca a prevención e reparación dos danos causados aos hábitats naturais, a biodiversidade e os recursos hídricos que tamén supoñan un risco importante para a saúde humana. OS TRATADOS DE LIBRE COMERCIO: UNHA AMEAZA PARA AS COMUNIDADES En abril, a Plataforma adheriuse á campaña internacional de Acción Global contra o TTIP/TISA/CETA, denunciando xunto a decenas de movementos sociais, organizacións e asembleas cidadás de todo o Estado a opacidade manifesta coa que dende a autoridade europea están a levarse as negociacións. Co desenvolvemento e aprobación definitiva destes acordos limitaríase o control efectivo das multinacionais por parte dos estados e calquera tipo de litixio entre países e corporacións, ao estilo do ocorrido en Corcoesto, terían que ser dirimidos a través de tribunais internacionais de arbitraxe, que maiormente defenden aos intereses empresariais e que ao final unicamente benefician ao capital transnacional. Na práctica, unha ameaza real para as comunidades. O CONFLITO MINEIRO DÉIXASE NOTAR NAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS Outra das claves do ano sucedeu no mes de maio, cun desastre electoral que acabou apartando ao Partido Popular (PP) do goberno de Coristanco e Ponteceso, dúas das tres alcaldías afectadas polo proxecto de Corcoesto, e caendo máis de 20 puntos en Cabana de Bergantiños. Sen dúbida un completo fracaso dos plans do alcalde cabanés José Muiño, figura clave desde os inicios do conflito polo seu desmesurado apoio a Edgewater nunha iniciativa que prevía empregar grandes cantidades de reactivos moi contaminantes xerando ao final da vida útil do proxecto un total de máis de 17 millóns de toneladas de residuos tóxicos que permanecerían para sempre na comarca bergantiñá. UNHA BATALLA GAÑADA: EDGEWATER PERDE OS DEREITOS MINEIROS O último trimestre do ano estivo marcado, con todo, polo recurso de inconstitucionalidade presentado polo Executivo de Mariano Rajoy sobre a Lei 12/2014, de Medidas Fiscais e Administrativas de Galicia Sen dúbida esta de outubro foi a noticia máis importante do 2015, momento no que a Xunta acordou declarar de maneira definitiva a caducidade das concesións de Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater en Cabana de Bergantiños, algo que moitos non dubidaron en cualificar de 'vitoria total' e que Salvemos Cabana, fuxindo de calquera intento de patrimonialización do movemento social, considerou desde o principio unha batalla gañada pero inscrita dentro dun horizonte temporal moito máis longo no que as verdadeiras claves residen nunha reforma da lei mineira que permita unha norma máis garantista e respectuosa a nivel ambiental e social. UNHA DECISIÓN CUESTIONADA E CUESTONABLE O último trimestre do ano estivo marcado, con todo, polo recurso de inconstitucionalidade presentado polo Executivo de Mariano Rajoy sobre a Lei 12/2014, de Medidas Fiscais e Administrativas de Galicia, e en concreto sobre as reformas que esta introduce na Lei 3/2008, de Ordenación da Minería, que de saír adiante podería facilitar a multimillonaria reclamación económica de Edgewater. A pesar da plena legalidade da retirada dos dereitos mineiros a Edgewater, unha sentenza favorable ás demandas do Goberno -e polo tanto da propia canadense- podería ter nefastas consecuencias no desenvolvemento do conflito, ao impugnar o estado o artigo 84, que modifica a disposición transitoria segunda da Lei 3/2008, e que é o factor que en definitiva permitiu a cancelación efectiva do proxecto mineiro. Do novo Parlamento haberán de xurdir os cambios (ou non), que Galicia necesita para garantir o dereito á protección do patrimonio e o territorio, o medio ambiente, e a saúde da poboación Todo iso nun contexto favorable á empresa no que a propia mineira anunciou unha demanda internacional de arbitraxe tal como contémplase no Tratado Bilateral de Investimento entre España e Panamá, e que de saír adiante obrigaría aos contribuíntes para abonar tanto o investimento como o lucro cesante previsto pola compañía. 2016: UNHA MIRADA AO FUTURO O ano que comeza será fundamental para a evolución deste e futuros conflitos socioambientais relacionados co sector extractivo coa celebración das Eleccións Autonómicas da X Lexislatura, pois dese novo Parlamento haberán de xurdir os cambios (ou non), que Galicia necesita para garantir o dereito á protección do patrimonio e o territorio, o medio ambiente, e a saúde da poboación |
NOS_25700 | Esta fin de semana celébrase na Pobra de Brollón unha cita obrigada para os amantes do viño en paraxes incomparábeis. | Esta fin de semana decorre no concello da Pobra de Brollón a 26 edición da Feira do Viño de Vilachá, unha cita marcada en vermello no calendario dos amantes do viño kmais tamén daqueles que queren gozar dunha completa axenda de actividades nunha paraxe única. Ricardo Rodicio, concelleiro de Cultura da Pobra de Brollón, explícanos que a de Vilachá "é unha feira distinta a todas as demais", unha festa "única e diferente". O motivo? "que se fai en adegas centenarias, non en carpas nin en pavillóns". Son adegas que non se poden visitar o resto do ano polo que esta fin de semana é unha ocasión única para gozar dunhas adegas que conforman "un conxunto etnográfico único" nunha contorna, ademais, como é a da Ribeira de Vilachá, que fai parte da Ribeira Sacra. Rodicio indica que a Feira non se nutre simplemente de viño, se ben este está máis que ben representado a través das 9 adegas participantes; pois hai tamén ofertas para degustar e gozar de polbo, churrasco e outros pratos, para alén de diferentes actividades e actuacións musicais. Este sábado, 6 de maio, comeza a Feira coa apertura de adegas e postos de comida a media mañá. Pola tarde, sobre as 18:00 horas, figura o pasarrúas con grupos de canto de taberna e ás 21:00 horas será a quenda da 'Gran chourizada'. Pola noite, música e festa a cargo de Festicultores Troupe. Xa o domingo, pasarrúas e o pregón a cargo de Ruth Rodríguez, da Asociación galega de Cooperativas agrarias. A música de charanga Nova Terra de Trives porá a diversión e o ambiente pola tarde. |
NOS_4909 | As medidas adoptadas polo Goberno galego de fechar a hostalaría durante un mes afectará a todo o sector primario. Carnes, viños, froitas e hortalizas son algúns dos produtos prexudicados. A baixada de prezos é unha das consecuencias, a outra é a eliminación total da canle de venda das explotacións. | O anuncio do fechamento da hostalaría en 60 concellos da Galiza durante un mes coa prohibición expresa de calquera actividade que realicen, fóra de servir comida a domicilio ou para levar, terá unha grave repercusión no sector primario que, nunha gran parte, tiña nel a principal saída da súa produción. Asociacións galegas de hostalaría saíron esta quinta feira á rúa en distintos puntos da Galiza e convocaron actos de protesta para os vindeiros días, como unha caravana de coches en Vigo e mobilizacións en Pontevedra e Caldas de Reis. O sábado terá lugar unha concentración na Coruña (praza María Pita, 12 horas) e unha manifestación en Lugo (11 horas). Óscar, propietario dunha coñecida cafetaría de Compostela, pensa que se está "vitimizando todo un sector que achega moito non só ao tema económico senón a nivel social". Cre que as autoridades galegas agora "deberían ser claras e dicir que queren frear moito máis o fluxo de xente polas rúas" algo que, di, "sería máis intelixente para que cando pase todo, se quedan estabelecementos, poidamos recuperar clientela". O sector cárnico baixa os seus prezos O sector da carne vai ser un dos máis prexudicados por estas medidas, como explica a Nós Diario Mariano López, de Unións Agrarias (UUAA). "O fechamento da restauración reduce as liñas de distribución que o pequeno aumento do consumo en domicilio non chega a equiparar á venda na hostalaría", asegura. Como resultado desta situación coas primeiras restricións xa se deu unha "baixada de prezos" moi por debaixo do ano pasado. "En tenreira galega suprema estabamos en algo máis de 5 euros e agora xa se fala de 4,10 euros", asegura. As explotacións de vaca vella e bois están paradas, segundo explican desde UUAA. "Está todo en cámaras de frío e perderá características", sinala López. Manteñen a esperanza as carnizarías con explotación propia ou que mercan en pequenas granxas, ademais de estar ben situadas nas cidades. É o caso de Jesús en Compostela. "Notamos baixada na hostalaría e sorte que gañamos as persoas que deixaron de mercar nas grandes superficies", di a Nós Diario. Sen saída ao mercado para as pequenas adegas No sector vitivinícola galego a problemática non é tanto de prezos como de que as adegas de tamaño medio e pequeno poidan vender a súa produción. "As adegas de maior tamaño teñen saída a través das grandes superficies e agora comezan a vender outro tipo de viños", afirma a Nós Diario Roberto Rivas, presidente a Asociación Galega de Viticultura-Fruga. O aumento deste tipo de viños nos hipermercados procede, segundo Rivas, "do transvase entre adegas grandes e pequenas que mercan graneis para abastecer ese mercado ao que non poden chegar". En todo caso o panorama non é moi bo e asegura que se perdeu "a campaña de verán, e a de Nadal pasará polo supermercado outra vez". Froitas e hortalizas, as outras prexudicadas As froitas e hortalizas tamén saen prexudicadas, cunha boa parte da súa canle de saída parada co fechamento da hostalaría. Explícanolo Edurne de Froitas Nano, que traballa en Compostela e conta cun estabelecemento diante mesmo da praza de abastos. "Non se decatan de que hai moita xente que vivimos ao redor da propia hostalaría", sinala a Nós Diario, "desde a froita, o peixe, o pan, todo". No seu negocio as vendas na restauración representan 80% da caixa diaria e lamenta que non teña "dereito a un expediente de regulación temporal de emprego nin a nada". Opina que con esta situación "fechar os bares e non fechar os centros comerciais non ten xeito". |
PRAZA_10739 | Un panel internacional de expertos sinala que deben recortarse as emisións de gases na produción de alimentos, que supoñen o 25% do total | Un panel internacional de expertos sinala que deben recortarse as emisións de gases na produción de alimentos, que supoñen o 25% do totalAtallar a crise climática obriga a cambiar a maneira de alimentarse. A fórmula actual de producir a comida supón case un terzo das emisións de gases de efecto invernadoiro polo que resulta imposible conter o quecemento global sen que o mundo –sobre todo o rico– modifique a súa dieta con urxencia: máis vexetais e carne producida con sistemas que utilicen menos enerxía, segundo o último informe do Panel Internacional para o Cambio Climático da ONU (IPCC) publicado este xoves.O documento, aprobado este mércores -e que contén na súa ampla bibliografía varios estudos referentes ás transformacións rexistradas nos últimos anos no medio ambiente galego-, vén indicar que non basta con aplicar medidas á produción de enerxía nas centrais eléctricas ou nos motores dos vehículos. Non basta con transformarse en eólico e solar. En outubro de 2018 o IPCC xa avisou de que só medidas urxentes e drásticas na próxima década poderían evitar o peor do cambio climático limitando o aumento da temperatura global a 1,5º C. Este novo informe engade outro paquete de medidas cruciais.Os expertos inciden en que unha dieta con máis vexetais e carne obtida con sistemas que demanden menos enerxía ten menor impacto climáticoOs expertos calculan que a produción de comida lanza unhas 11 xigatoneladas de gases á atmosfera. Son 11.000 millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro a base de prácticas agrícolas, o cambio no uso do chan, ou almacenamento, transporte, procesamento, empaquetado e consumo dos produtos. A ministra en funcións de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, subliñou tras coñecer o informe que o estudo indica "o fundamental que é o solo. Un ben precioso e escaso que pasou de ser un sumidoiro de gases a un emisor" polo uso intensivo que impuxo a humanidade.O que vai ao pratoOs científicos piden mudar cara ao que chaman dietas máis saudables. Que alimentos citan? Falan de cereais, legumes, verduras, froitos secos e sementes. Tamén carne, pero con métodos de produción que permitan un uso "menos intensivo" de enerxía. Un dos coordinadores do informe, Jim Skea, incidiu en que eles non recomendan unha dieta á xente. "Sinalamos que, segundo a evidencia científica, hai dietas que teñen unha menor pegada de carbono". É dicir, un impacto climático menor. O informe, entre outras cuestións, detalla como nunha explotación bovina é máis sostible a produción de leite que de carne. O Panel considera que estes cambios teñen o potencial para evitar que entre 1,8 e 3,5 xigatoneladas de CO2 terminen na atmosfera. E engaden outro aspecto: frear o desperdicio de comida. Ao tirar menos alimentos redúcese a necesidade de consumir máis co que se rebaixa a expansión de terras dedicadas á produción. Os científicos calcularon que un terzo dos alimentos que se producen terminan desperdiciados. Unha boa proporción do efecto invernadoiro créase para nada.Factura climática da comidaA maioría da superficie terrestre do planeta dedícase a producir alimentos ou vestido: ata un 72% do chan libre de xeo está destinado a manter á poboaciónA maioría da superficie terrestre do planeta dedícase a producir alimentos ou vestido. Ata un 72% do solo libre de xeo está destinado a manter á poboación. O informe explica o que implica esta presión: o incremento na produción de comida acelerou o uso intensivo da terras. Tamén obrigou a aumentar a aplicación de fertilizantes a base de nitróxeno e o consumo de auga para a rega.Todo isto multiplicou as emisións. O cambio de uso dos chans para soster este crecemento global contribuíu á cantidade de CO2 lanzado "sobre todo pola deforestación", explican. É dicir, a desaparición de árbores para dar paso a campos de cultivo ou pasteiros para rabaños. Tamén subiu a cantidade de óxido nitroso emitido ( N2O) pola agricultura e a de metano (CH4) polo gando. Ata a metade deste gas, de gran potencial invernadoiro, sae das cabanas gandeiras.As medidas que poñen enriba da mesa abarcan desde a redución nas emisións de N2O dos fertilizantes, a do metano dos arrozais, a mellora xenética para que os cultivos soporten mellor as secas e que o gando teña unha mellor alimentación ademais de xestionar os seus refugallos. Atribúenlle un potencial de aforro entre 1,4 e 4 xigatoneladas de gases ao ano.O cambio climático degrada os camposA influencia entre a obtención de comida e o cambio climático é de ida e volta. A medida que a temperatura crece, aumentan os danos: maior desertificación, máis degradación do chan... Isto tradúcese en peores rendementos das colleitas. En consecuencia, un previsible encarecemento do produto. As previsións apuntan a que os prezos dos cereais puidesen subir ata un 29% para 2050. Pero tamén afectará á calidade da mesma scomida, xa que a maior concentración de dióxido de carbono influirá na composición dos nutrientes como, por exemplo, as proteínas.Por outra banda, o biodiésel a escala mundial despraza á comida, advirte o informe. Unha das solucións adoptadas xeralmente polos estados para cumprir cos seus compromisos de emisións foi a aposta polos biocarburantes. A bioenerxía que se obtén a base de cultivos como a palma ou a colza. Os expertos avisan dos riscos e aseguran que hai límites ao cultivo destas variedades. Por que? A proliferación destas plantacións pode supoñer efectos "irreversibles" na desertificación da terra.O que describe o Panel é que a idea de recortar emisións de CO2 a base de substituír o combustible fósil por, por exemplo, biodiésel, tende a crear unha competencia polo chan entre os cultivos para enerxía e os destinados a producir variedades que alimenten á poboación. "Moitas das respostas toman tempo para producir os seus efectos", advirten os expertos da ONUO documento inclúe unha advertencia: "Moitas das respostas toman tempo para producir os seus efectos". Piden paciencia. Sen ir máis lonxe, sinalan que medidas como cambiar a maneira de producir ou variar a dieta precisan dun período de adaptación. Incluso a reforestación da cuberta vexetal non se consegue rapidamente. As plantas teñen que medrar. |
NOS_53901 | O consultor político Santiago Martínez Suárez vén de denunciar a política de descriminación do organismo Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) a respecto dos profesionais galegos. Así o publicou na súa conta da rede social Facebook: "Como sabedes, dixéronme que non podía colaborar con eles porque non era de fóra, preferibelmente de Madrid". | Martínez Suárez referíase aos cursos que ofrece a entidade, encargada de mediar entre a universidade e as empresas galegas. "Nos últimos 30 cursos do último trimestre de 2017, entre os seus 27 poñentes só hai un licenciado das tres universidades galegas", engadiu. "Non poño en dúbida a calidade dos excelentes profesionais que impartiron os mencionados cursos", continúa na súa entrada de Facebook, redactada en castelán, "o que pretendo é deitar luz sobre unha política discriminatoria evidente e unha visión pailana por parte dos dirixentes desta entidade que, insisto, din ser a ponte entre as universidades galegas e as empresas". "Feuga é unha entidade sen ánimo de lucro e de dereito privado , especializada na transferencia de coñecemento, innovación e tecnoloxía desde o sistema universitario de Galiza ao mundo empresarial e á sociedade en xeral", expón o organismo nos seus principios, e así o lembra Martínez Suárez. Licenciado en dereito e asesor de políticos de moi distinto signo, afirma que xa levou a súa denuncia ao Valedor da Comunidade Universitaria de Compostela. "Agardo que o rector investigue que está pasando con esta política segregadora que ademais devalúa o nivel das licenciaturas galegas entre o empresariado galego poñendo en valor só profesionais de fóra de Galiza", conclúe. |
QUEPASA_940 | Hoxe venres continuarán as concentración na fábrica de Brens, ás 14:45h, para esixir futuro industrial para as fábricas | Hai apenas unha semana, a raíz da doble denuncia por acoso por acoso sexual e laboral, a Dirección de XEAL abría a mesa de negociación para aprobar o novo Plan de Igualdade. Mesa que non durou moito, pois foi a dirección rompeu o acordo co comité, ao modificar as condicións pactadas para a constitución do plan xa que agora quere quitalo do ámbito de negociación do convenio colectivo. O comité defende que "a negociación do Plan de Igualdade debe ser parella á negociación do convenio colectivo para unha mellor garantía das medidas a adoptar". Pero ademais, cómpre salientar que "a empresa ten bloqueadas as negociacións do convenio pola súa pretensión de conxelar os salarios durante os próximos tres anos e recortar as condicións sociais". Son novos argumentos para continuar cas mobilizacións dos venres ás 14:45h diante da fábrica de Brens, que teñen como principais demandas "a creación plan de viabilidade, dun calendario para o rearranque dos fornos e dun plan de investimentos que garantan a recuperación das capacidades produtivas e o mantemento de todos os postos de traballo (incluíndo a recuperación dos empregos destruídos no último ano tanto na principal como nas auxiliares)". |
PRAZA_12676 | A Mesa, a Liga Estudantil Galega, os Comités e o Sindicato de Estudantes, co apoio de Esquerda Unida, Galiza Nova e a MNG, chaman á mobilización "para parar os ataques ao galego" e denuncian que a porcentaxe semanal de horas que se imparten en galego non chega ao 20%. | A mobilización está convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Mocidade pola Normalización Lingüística, a Liga Estudantil Galega, os Comités e o Sindicato de Estudantes, co apoio de Esquerda Unida, Galiza Nova e a MNG, baixo o lema Paremos os ataques contra o galego. Estes colectivos chaman á mobilización do estudantado de ensino medio pola "calamitosa" situación do galego nas aulas de ensino medio. Segundo os seus datos, a media do horario semanal de aulas que se imparten na lingua propia de Galicia só no ensino medio é do 20%, "moi por debaixo, xa que logo, do propio límite fixado polo propio decreto", do 50-33% en función do grao de introdución da terceira lingua para unha parte do currículo. Segundo os seus datos, a media do horario semanal de aulas que se imparten na lingua propia de Galicia só no ensino medio é do 20% Os representantes das organizacións convocantes tamén denuncian que o decretazo "prohibe" o uso do galego para impartir as materias de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía. "Unha prohibición", din, "que non ten semellanza en ningún outro territorio do Estado con lingua propia". Os impulsores da folga do 19 de abril recordan que o contexto de crise económica e de brutais recortes no sistema educativo "non foi impedimento" para que a Consellaría de Educación gastase "inxentes" cantidades de diñeiro público en "destruír" libros e materiais das materias científico-técnicas "só por estaren en galego". Aseguran que a convocatoria de folga está a ter unha incidencia "tremenda" a través das redes sociais Agardan un seguimento "masivo", din, entre o alumnado de 2º ciclo de secundaria, bacharelatos e ciclos formativos de grao medio e superior e aseguran que a folga está a ter unha incidencia "tremenda" a través das redes sociais. Segundo a Mesa, os apoios son especialmente numerosos en tuenti, onde os distintos eventos sobre a folga suman xa máis de 20.000 apoios. Tamén se está a empregar o hashtag #19Aestudantespologalego para a súa difusión e debate en twitter. |
NOS_39652 | Sen facer un grande partido, o Dépor si cumpriu cos dous mandamentos de Arsenio Iglesias para se facer coa vitoria a domicilio face o Betis. Tivo orde e tivo talento. | O Deportivo está intratábel fóra da casa no que vai de campionato. Tres xogos lonxe de Riazos, dúas victorias (Vallecas e a desta quinta feira no Benito Villamarín) e un empate (Valencia). As chaves da solvencia do combo de Víctor como visitante teñen a ver coa disposición da equipa sobre o terreno de xogo, a forma en que ocupan metros cadrados do relvado. Unha presión moi intensa en campo contrario (nos últimos minutos e co 1-2 xa no marcador, até 6 ou 7 branquiazuis disputaban a pelota perto do marco de Adán) e a acumulación de homes na medular, unha primeira liña de defensa que en moi poucas ocasións puido furar o Betis. O Dépor interpretou a perfección o 4-5-1 que tracexou na pizarra Víctor. O treinador surprendeu deixando no banco a Lucas e colocando na media Juan Domínguez. Jonathan Rodríguez, no papel de dianteiro contra o mundo, estivo combativo, non tivo opcións apenas de chutar, mais fixou os centrais rivais e foi o primeiro defensa a superar da equipa coruñesa. Polo lado do talento, a irrupción de Fede Cartabia. Ollo a este rapaz. Atesoura condicións de futbolista dez Iso polo lado da orde. Polo lado do talento, a irrupción de Fede Cartabia. Ollo a este rapaz. Atesoura condicións de futbolista dez. Un zurdo exquisito con enorme capacidade de desborde. Só ten que controlar algo certa tendencia á aceleración. Mais Fede Cartabia dálle á equipa un plus que non tiña. Enxeño. Criatividade. Ese don de facer aparecer algo onde ninguén sospeitaba que puidese haber nada. O seu gol, armando a perna en centímetros cadrados, e batendo desde lonxe a un abraiado Adán, é unha desas accións que de levaren o cuño de Messi ou Ronaldo serían repetidas ad nauseam nos telexornais deportivos do planeta. Orde e talento levan ao Deportivo a sumar 8 pontos en 5 xornadas e a se colocar na sétima praza da clasificación. Un moi bon comezo de campionato para unha equipa que a tempada pasada se salvou de milagre após totalizar 35 pontos en 38 xogos. Betis: Adán, Piccini, Bruno, Westermann, Vargas, Joaquín, Xavi Torres (Rennella, min. 74), Petros, Van der Vaart (Dani Ceballos, min. 48), Rubén Castro e Jorge Molina (Van Wolfswinkel, min. 59). RC Deportivo: Lux, Laure, Arribas, Sidnei, Navarro, Mosquera, Juan Domínguez (Borges, min. 59), Fede Cartabia (Juanfran, min. 66), Fayçal, Luisinho e Jonathan Rodríguez (Lucas, min. 63). Goles: 0-1 Fede Cartabia (min. 54); 1-1 Petros (min. 58); 1-2 Fayçal (min.71). Árbitro: Gil Manzano (C. Estremeño). Amonestou Joaquín (min. 26), Piccini (min. 42), Jonathan Rodríguez (min. 44), Navarro (min. 75), Lux (min. 78), Laure (min. 81), Westermann (min. 85) e Luisinho (min. 93). Campo: Benito Villamarín, 37.051 persoas nas bancadas. |
NOS_17908 | Agal e Associação pró-Academia impulsam a campanha 'Multiplica x100 a tua língua' coa vista posta no debate parlamentar da ILP Valentim Paz-Andrade de aproveitamento dos vínculos com a Lusofonia. | Multiplicar. Agal e pró-Academia tenhem muito claro que o futuro para a nossa língua pasa ja nom por sumar,que tambem,senom mais bem por multiplicar. E faze-lo x100: dos 2.500.000 galeg@s os 250.000.000 de falantes do nosso idioma.Este é o cerne da campanha que quer implicar á gente da rúa. A Associaçom Galega da Língua, junto a Associação pró-Academia apoian a manifestaçom do vindouro 17 de maio. manifestará-se atrás de umha faixa com o lema Multiplica x100 a tua língua. É a maneira, indicam, de potenciar na rua o que em breve deveria debater-se no Parlamento: a iniciativa legislativa popular Valentim Paz-Andrade de aproveitamento dos vínculos com a Lusofonia. Apoiar, como e onde? Para apoiar a campanha "construímos umha web x100.agal-gz.org onde podeis encontrar informaçom e recursos gráficos para difundir a nossa mensagem". Neste sítio web iram colocando, tamem, a opiniom de muitas pessoas ao respeito de porque temos que multiplicar X100 o galego. Pode se enviar texto e foto [email protected] |
NOS_12491 | Traballadores e cargos públicos recibiron citacións xudiciais por un suposto delito de "atentado" contra a autoridade | Esta terza feira 8 de outubro representantes de CCOO e cargos públicos concentráronse diante das dependencias xudiciais de Ferrol para arroupar as traballadoras e traballadores denunciados na protesta do persoal de Alcoa do pasado 28 de marzo diante do Congreso en Madrid. Nesta ocasión compareceu por videoconferencia o secretario xeral de Industria de CCOO-Galicia, Victor Ledo. O sindicalista foi citado en calidade de investigado por un presunto delito de atentado á autoridade. Entre as persoas denunciadas están tamén o presidente do comité de empresa de Alu Ibérica LC (antiga Alcoa-A Coruña), Juan Carlos López Corbacho, así como outros dous traballadores afiliados a CCOO. En relación aos cargos públicos, están denunciados as deputadas e deputados de Unidas Podemos Rafa Mayoral, Antón Gómez-Reino, Ángela Rodríguez e Yolanda Díaz. |
NOS_5877 | Fiel ao seu estilo, malia anunciar en repetidas ocasións que as eleccións galegas non ían decorrer nunha situación de anormalidade sanitaria e que a súa data ía ser acordada coa oposición, o presidente da Xunta fixo pública a súa intención de facelas coincidir coas vascas. A confirmación dos comicios para xullo evidencia que as prioridades políticas de Alberto Núñez Feixoo veñen definidas polas urxencias electorais. | A decisión de convocar as eleccións galegas no mes de xullo facía parte da axenda de Alberto Núñez Feixoo desde a primeira semana de abril. Unha vez coñecidas as primeiras enquisas que revertían a tendencia á baixa do PP na Galiza, como consecuencia da perda de apoios dun PSOE erosionado pola súa xestión da crise sanitaria e económica, o presidente galego dáballe unha volta de torca á súa estratexia electoral e comezaba unha carreira para acelerar os comicios. De aí que encargase sondaxes semanais sobre intención de voto que abrían a posibilidade de reeditar a maioría parlamentaria. Feixoo sempre estivo en campaña. O relato e a axenda do seu equipo durante estas semanas non deixaron dúbidas sobre as intencións do presidente galego, instalado nun discurso dirixido a ofrecer unha sensación de normalidade que favorecese unha rápida volta á actividade e a manter unha liña de confrontación co Executivo estatal que debilitase as posibilidades dunha alternativa na Galiza. A este respecto, Nós Diario xa adiantaba na segunda quincena de abril a vontade do mandatario galego de acudir ás urnas, fixándose naquela altura como data máis probábel para eleccións os dous últimos domingos de xullo ou o primeiro de agosto. Feixoo racha o acordado coa oposición O presidente galego viuse obrigado a confirmar onte o adianto electoral como consecuencia do calendario marcado polo presidente vasco, Íñigo Urkullu. Feixoo decidiu anunciar xa a súa intención de convocar as eleccións en xullo co obxectivo de evitar as críticas da oposición en relación ao seguidismo ao lehendakari, unha vez que coñeceu que este tiña convocadas para hoxe as forzas políticas vascas para informalas das datas dos comicios en Euskadi. Tanto é así que a primeira hora da mañá de onte non estaba prevista ningunha comparecencia pública de Feixoo, concretándose a mesma con menos de tres horas. As eleccións en xullo facían parte da axenda de Feixoo desde primeiros de abril O presidente da Xunta citou para a tarde de hoxe os candidatos e candidatas á Presidencia do Goberno galego coa intención de "atopar unha solución consensuada sobre o mellor escenario para a realización dunhas eleccións no novo contexto da pandemia". Porén co anuncio de onte incumpriu o seu compromiso de pactar coa oposición unha nova data para os comicios. Após as negociacións para a suspensión das eleccións de abril, o presidente galego e as voceiras parlamentarias estabeleceran fixar por consenso o momento de acudir ás urnas, emprazándose para formalizalo ao levantamento do estado de alarma e á normalización da situación sanitaria. As dúbidas sobre a legalidade do proceso xorden desde as filas da oposición pero tamén desde o ámbito xurídico, malia que a convocatoria está avalada por un voluminoso informe da asesoría legal da Xunta, o que indica que a data das eleccións estaba prevista desde había días. Neste sentido, desde o Goberno galego agárranse á modificación do estado de alarma, pactada por PSOE e PNV, que recolle que "a vixencia do estado de alarma non suporá obstáculo ningún ao desenvolvemento e realización das actuacións electorais precisas para o desenvolvemento de eleccións convocadas a parlamentos de Comunidades Autónomas". Unhas eleccións en emerxencia sanitaria Feixoo decide acudir ás urnas aínda que dá por feito un rebrote da pandemia no país. Segundo o presidente galego, é posíbel un aumento dos contaxios no mes de xullo como consecuencia da actividade turística, porén, en contestación a unha pregunta formulada por Nós Diario, negouse a solicitar o feche e a blindaxe da Galiza, malia o risco que supón na evolución da pandemia. As eleccións van decorrer nunha situación de emerxencia sanitaria. Os informes das especialistas, así como o da propia Consellaría de Sanidade, achegados pola Xunta da Galiza para xustificar a súa decisión de levalas a xullo recoñecen os riscos da data elixida. No caso do elaborado por Sanidade e asinado polo director xeral de Saúde Pública e polo subdirector xeral de información sobre a Saúde e Epidemioloxía, ambos os dous cargos de designación política, sinálase que se deberán "estabelecer medidas ad hoc, tanto nos colexios electorais como na propia campaña electoral, para garantir a seguridade das participantes no proceso electoral". O propio ministro de Sanidade, Salvador Illa deixaba caer onte as súas dúbidas en referencia á posibilidade de organizar os comicios na Galiza e en Euskadi. A este respecto, afirmou que "nesta fase hai que actuar con moita prudencia, segundo os datos dos distintos territorios do Estado. Estou seguro de que hoxe todo o mudo actuará coa máxima prudencia e veremos se a evolución da epidemia nos permite que nun horizonte próximo teñan lugar as eleccións, cousa que eu desexaría, porque significaría que seguimos neste camiño de vencer a epidemia". |
NOS_32654 | O número 1 do novo suplemento Coñecer achega un artigo asinado por Alexandre Peres Vigo que afonda nunha parte moi importante do noso patrimonio material e documental que continúa fóra da Galiza: as moedas. | Unha parte moi importante do noso patrimonio material e documental continúa fóra da Galiza como resultado dun cristianismo que non acababa de ser definido. Malia a súa escasa circulación, as moedas convertéronse neste período en auténticos símbolos de poder e estabilidade para os emerxentes reinos xermánicos. A Gallaecia dese momento non escapou a este escenario histórico, e a poboación galaica, nativa aínda que romanizada, non só experimentou a chegada de xentes de lingua, cultura e crenzas ben distintas (refuxiados britóns, suevos e outros pobos chegados do Imperio) senón tamén o xurdimento dunha monarquía galaico-sueva e dun novo Estado, o reino da Gallaecia, fundado por Hermerico no ano 411. Tras pechar temporalmente as súas portas aos visitantes, foron numerosos os museos de todo o mundo que durante esta crise sanitaria decidiron organizar visitas virtuais e expor dixitalmente as súas coleccións. Deste xeito, o público puido acceder, entre outras, ás estancias máis icónicas do Museo Vaticano ou ás impresionantes coleccións do Louvre parisiense, non só para contemplar xoias emblemáticas da arte e arqueoloxía, senón tamén aqueles obxectos menos vistosos que habitualmente permanecen nos seus depósitos. Nesta carreira de difusión patrimonial, sen dúbida, o British Museum puxo en marcha unha das apostas máis fascinantes en prol da divulgación cultural ao pór a disposición do público máis de millón e medio de imaxes que van desde a mesma pedra Rosetta até unha sinxela culler vitoriana. Todos aqueles interesados nas moedas medievais tamén están de sorte, pois o museo londiniense exhibe unha ampla colección numismática, tremendamente interesante para os amantes do que o mundo anglosaxón coñece como os Dark Ages, os Anos Escuros. Podes ler o artigo íntegro no suplemento Coñecer, no teu Nós Diario de hoxe (e de todas as terzas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja. Neste número, ademais, Paula Verao achéganos á Ribeira Sacra, Daniel Río 'Caxigueiro' fálanos do libro-obxecto, Xosé Álvarez lévanos a aquel 1 de maio de 1936, e Francisco Martínez López, 'Quico', o último militante vivo da guerrilla galega protagoniza unha conversa. Suplementos diarios de carácter temático Coñecer', 'Aprender', 'Xogar', 'Gozar' e 'Producir' publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel. Trátase de suplementos temáticos de catro páxinas a cor, deseñados por Pepe Barro, un dos máis destacados grafistas da Galiza, que incorporarán máis voces especialistas nos diferentes campos que integra cada unha destas publicacións,. |
PRAZA_16189 | As dúas entidades presentan unha campaña conxunta para incrementar a presenza do galego na rede, na que destaca a posibilidade de rexistrar dominios .gal a un prezo moi reducido durante todo o mes de febreiro, coincidindo co aniversarios de Rosalía de Castro (24 de febreiro) ou o Día Internacional da Lingua Materna (21 de febreiro) | Durante o mes de febreiro poderanse rexistrar dominios .gal a un prezo máximo de 15 euros por dous anos. É a nova promoción que este martes presentaron conxuntamente a Asociación PuntoGal e a Real Academia Galega. As dúas entidades buscan a través desta campaña incrementar a presenza do galego na rede coincidindo co aniversarios de Rosalía de Castro (24 de febreiro), o de Eduardo Pondal (8 de febreiro) ou o Día Internacional da Lingua Materna (21 de febreiro). As persoas que desexen participar no concurso deberán enviar os textos, de ata 200 palabras, do 1 ao 28 de febreiro A campaña inclúe a convocatoria dun concurso de micro-relatos para avivar a produción creativa nos novos espazos da comunicación. As persoas que desexen participar no concurso deberán enviar os textos, de ata 200 palabras, ao correo [email protected] do 1 ao 28 de febreiro. O primeiro premio consistirá nun Ipad e unha cámara goPro, o segundo, nun Kindle e un disco duro externo e o terceiro (poderá haber ata tres), nun lote de libros. Ademais, os tres relatos premiados recibirán un dominio gratuíto durante un ano e merchandising de PuntoGal. As bases completas poden consultarse aquí. O xurado fará pública a súa decisión no mes de marzo. En canto á promoción, os rexistradores acollidos son Dinahosting, Arsys, CDMon, Blacknight e Openprovider. As condicións da promoción poderán consultarse neste enlace ou dirixíndose directamente ás empresas rexistradoras. A campaña foi presentada esta mañá polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o presidente de PuntoGal, o tamén académico Manuel González. Con esta colaboración, a RAG aposta por "seguir potenciando a presenza do idioma na modernidade que representan as tecnoloxías da información e comunicación e por reforzar a identidade de Galicia no ciberespazo a través de .gal", salientou Freixanes. As dúas entidades buscan a través desta campaña incrementar a presenza do galego na rede coincidindo co aniversarios de Rosalía de Castro (24 de febreiro), o de Eduardo Pondal (8 de febreiro) ou o Día Internacional da Lingua Materna (21 de febreiro) "A lingua galega é o noso primeiro e basilar elemento de identidade como galegos, e o dominio .gal é unha mensaxe continuada ao mundo a través do ciberespazo na que lles estamos dicindo que somos un pobo cunha lingua útil e funcional. Neste mundo globalizado, a identidade é un valor cada vez máis cotizado e o dominio .gal é un vehículo excelente para darlle a coñecer ao mundo a nosa identidade", engadiu Manuel González. Un "vehículo" que González animou a empregar a todos os organismos públicos, ao empresariado que exerce a súa actividade en Galicia e tamén a todos os galegos e galegas, para reforzar así "a cohesión social do noso pobo e tamén poñer en valor a calidade dos nosos produtos". |
NOS_30556 | O Muiño do Rañego acollerá o 15 de setembro unha mesa redonda sobre a súa obra e inaugurarase o sétimo Hectómetro Literario no Paseo dos soños no rio Madalena. | Poeta, narradora, xornalista, investigadora, directora de cine, feminista, galega,... Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951) recibirá este sábado en Vilalba unha merecida homenaxe como recoñecemento da súa obra, froito dunha traxectoria que vai da literatura ao audiovisual, da docencia á implicación co noso país. "É unha persoa plural, pioneira en moitos eidos como o da imaxe, o da defensa dos dereitos da muller ou abrindo camiños como foi a creación da Facultade de Xornalismo da USC", afirma Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos, unha das entidades organizadoras da homenaxe coa Irmandade Manuel María. A propia Margarita Ledo Andión agradeceu a iniciativa que, para ela, servirá como un reencontro cos vellos amigos. "Estou moi ligada á Terra Chá, un lugar que me configurou e ao que volvo", asegurou, "e sempre ao redor de Manuel María". A escritora, profesora e cineasta publicou o seu primeiro poemario Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto? en 1970 na editorial Xistral da man do propio Manuel María. Os actos do sábado 15 de setembro no Muiño do Rañego de Vilalba consistirán nunha mesa redonda en que falarán María do Carme García Negro, Xosé López García, Xosé Ramón Pousa, Eva Veiga e David Otero, e a inauguración doutro tramo do Paseo dos soños. Rematará a homenaxe cun xantar ás 14:30 horas (Nova Ruta de Vilalba) e unha actuación musical a cargo de Mini e Mero, Raúl Galego, e outr@s Sétimo Hectómetro LiterarioO Paseo dos soños, unha iniciativa conxunta de ambas as dúas entidades, comezou en 2006 a medrar de cen en cen metros a través do chamado "hectómetro literario" no paseo fluvial da Madalena de Vilalba. A iniciativa pretende homenaxear escritoras ou escritores, persoeir@s da cultura con algunha relación coa comarca da Terra Chá. Este paseo é obra do escultor galego Xosé Val Díaz, Valdi, un artista afeito a traballar con todo tipo de materiais desde a pedra ao aceiro. "A escultura trata en cada ocasión de representar aspectos da persoa homenaxeada, neste caso os elementos serán unha cámara e un libro", informou Alfonso Blanco. |
NOS_29893 | Falar no idioma galego é a expresión máxima dos vínculos históricos e culturais que partillan Galiza e as comarcas do Bierzo e Sanabria. Porén, do outro lado do Telón de Grelos, o recoñecemento desta lingua está na corda bamba. | O ensino do galego no Bierzo e en Sanabria é unha demanda social non só de colectivos culturais, senón tamén das nais, dos pais e do propio alumnado. Do outro lado do Telón de Grelos, a lingua tórnase na expresión máxima dos vínculos históricos que axugan Galiza coas dúas comarcas. Segundo dados oficiais da Xunta, son 31.200 as persoas que alí falan galego. Porén, a protección deste dereito, recoñecido na Lei de Normalización Lingüística, está na corda bamba. A labazada da Junta de Castilla y León (PP) vai parar a onde máis doe, ao ensino. Desmantelado en dous centros o programa de inmersión en galego Á reticencia do profesorado e da dirección dos centros súmase a conivencia do Goberno, que ten competencias en materia educativa. A Junta fixo desaparecer das materias optativas do bacharelato o programa de inmersión lingüística nesta lingua. Fíxoo primeiro en Cacabelos, no IES Bergidum Flavium, un dos catro institutos que imparten galego na comarca e o único fincado nesta localidade. "Non avisaron con antelación e os alumnos estaban xa matriculados", explica Xabier Lago, portavoz e presidente do colectivo Fala Ceibe. Os protestos das asociacións de nais e pais conseguiron salvar o programa, malia que estudantes con distintos níveis de galego partillan aula e non hai profesorado dabondo para atender as súas necesidades. Unha semana despois, a Junta repetiua xogada noutro centro, o IES Europa, en Ponferrada. Desta volta non se procedeu ao agrupamento de unidades. Ofrecéronse dúas alternativas: ora mudar de instituto, a un dos outros dous que seguen a impartir aulas en galego, ora renunciar a esta optativa. Profesorado de Castela e monolingüe en español O motivo para tronzar a posibilidade de estudar en galego foi "que non había alumnado suficiente", denuncia Xabier Lago. Con todo, quéixase de que "non sabemos nin cantos estudantes hai porque a Junta pasa de nós" e alerta de que a nova baremación do profesorado leva aos centros docentes "novos e sen experiencia" que chegan de Castela e son monolingües en castelán. "Non entenden a riqueza do bilingüismo e carrexan prexuízos por considerar o galego unha lingua menor", coas conseguintes trabas pedagóxicas. A consecuencia: "o nível de galego está a baixar moito". A implantación do ensino de galego na comarca do Bierzo encetou en 2001 "e tivo sempre problemas". Malia que a televisión e a radio públicas da Galiza se reciben "con normalidade", nos centros de ensino hai "resistencia" entre profesorado e equipas directivas. A posibilidade de recibir aulas "é restrinxida", subliña Fala Ceibe, pois non existe unha oferta lectiva coma tal. O galego emprégase na educación primaria na materia de Coñecemento do Medio; en secundaria na de Ciencias Sociais; e no bacharelato existe unha materia específica de Lingua e Cultura Galega. 1.000 alumn@s para unha lingua "moi desprestixiada" Emprégase "sobre todo nos centros rurais do Bierzo occidental e nas vilas máis importantes". En Ponferrada, dos tres institutos que hai dous impartían galego até que a Junta meteu man. "Haberá algo máis de 1.000 alumnos entre todos os centros e a lóxica é que vaian a menos con todos estes atrancos; se non pasa neste curso pasará o ano que vén", lamenta Xabier Lago. Na parte oriental da comarca institutos como os de Bembibre ou Palacios del Sil imparten aulas de galego-portugués. O galego non ten recoñecemento xurídico na comarca do Bierzo. "Non podemos lelo nos medios de comunicación nin usalo nas administracións", di Lago. É unha lingua "moi desprestixiada" e, ao igual que na Galiza, quen a falaba foi perseguid@ na ditadura. O alumnado matricúlase en galego "por razóns puramente pedagóxicas, non sentimentais", como a ansia de continuar os estudos nunha universidade do noso País. "Fóra do centro non o falan", recalca o voceiro de Fala Ceibe. Así que a única posibilidade de que a ligadura cultural e histórica entre a Galiza e o Bierzo non rache é frear o desmantelamento do ensino na lingua que comparten. |
NOS_13799 | O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, pediu unha participación "masiva" nas eleccións que marque a "páxina do futuro" da Galiza. | En Vigo exerceu o seu dereito ao voto Gonzalo Caballero, candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta. Remarcou o líder socialista que a xornada electoral representa un "punto de inflexión" dada a situación actual, polo que incidiu na necesidade de que o resultado das eleccións conte co "referendo" de "toda a cidadanía". "Hoxe estamos nunha xornada electoral moi importante para Galiza, é a festa dea democracia, coa posibilidade de que as cidadás e cidadáns decidamos o futuro do país en que vivimos", dixo Caballero. "O poder do voto permite marcar a folla de ruta para o benestar e progreso que queremos para Galiza", dixo o candidato, polo que fixo un chamamento a todas as persoas para votar "nunhas eleccións distintas, con medidas de seguranza ante o virus, pero onde precisamos dunha participación masiva, pois a participación lexitima os Gobernos e fai que os resultados representen mellor a vontade dun pobo", aseverou. |
NOS_33095 | A xornada ligueira deixou sensacións ben diferentes entre os equipos galegos das principais ligas do fútbol. Así, se Celta e Dépor continúan medrando, tanto o xogo como os resultados Lugo decaen até o punto de que o único representante do país na Segunda xa está a só dous puntos do descenso. | No país do fútbol nunca chove a gusto de todos, e menos cando, como diría Pemán, temos tempo de nubes e claros. Porque o sol brilla en Vigo e na Coruña, pero unha borrasca ameaza con asolagar o Club Deportivo Lugo. O conxunto celeste, a pesar de que continúa na zona baixa cun mínimo colchón dun só punto sobre os postos de descenso, afronta os seus vindeiros compromisos co optimismo que confire ser quen de remontarlle un 3-0 a todo un Fútbol Club Barcelona para asinar un 3-3 final. Ante os Ansu Fati, Memphis, Busquets, De Jong e compañía os do Chacho Coudet impartiron unha clase maxistral sobre o potencial dun equipo que, se logra correxir os seus dous males endémicos -a falta de gol e uns puntuais pero gravísimos erros defensivos- debería estar pelexando por cotas moito máis altas. Ben deferente é a situación en Lugo, onde o único representante da Galiza na Segunda División volveu perder, nesta ocasión na casa ante a Ponferradina (1-2). Os de Rubén Albés finalizan así o maratón de catro partidos no que se viron inmersos nos últimos 15 días cun pésimo balance de dous puntos de doce posíbeis. A escusa do cansazo -empregada por Josep Señé tras o tropezo cos de Ponferrada, xa non terá validez a partir da próxima semana, onde os da Cidade da Muralla están obrigados a superar o penúltimo clasificado, Amorebieta, se non queren caer na zona de descenso O Deportivo, máis líder En contraste cos albivermellos, o Deportivo da Coruña é o vivo exemplo da solidez. Con tan só cinco goles en contra en 11 partidos, os herculinos lograron no campo da Unión Deportiva Logroñés (0-1) un triunfo que vale moito máis que tres puntos, pois ademais de consolidalos na cabeza da táboa serviu de golpe de autoridade ante un dos mellores locais da Primeira RFEF. Non obstante, e curiosamente, o Dépor debe estar agradecido ao traballo do filial do Celta, que conseguiu rañar un empate (1-1)na casa de Unionistas, escuadra que até o domingo compartía liderado cos branquiazuis. Con este resultado os celestes quedan empatados a 15 puntos na clasificación co terceiro equipo galego da categoría, o Rácing de Ferrol, que perdeu 0-2 ante o outro conxunto de Logroño, a Sociedade Deportiva. Nun mal partido dos Diaños Verdes, Soberón e Pascual nos minutos 13 e 46 sentenciaron o Rácing. |
PRAZA_5452 | A secretaria xeral de Urbanismo evita valorar a polémica construción dun acceso a un aparcadoiro privado sobre un parque público mentres PSdeG e BNG instan a Xunta a intervir para evitar as obras e defenden as protestas veciñais. Vídeo no interior | Asepsia para o Concello, belixerancia para a veciñanza. Hai case tres meses que os veciños e veciñas do barrio compostelán de Galeras se mobilizan periodicamente para tentar evitar que o Concello de Santiago culmine a súa intención de facer pasar o acceso a un aparcadoiro privado por riba do parque do barrio, un dos principais da capital galega. A plataforma que agrupa asociacións veciñais e persoas individuais ten claro que o proxecto vai contra a legalidade e por iso xa o puxeron nas mans da Fiscalía, pero teñen máis claro aínda que non están dispostos a permitir a "privatización" dun anaco deste espazo verde. Con estas condicións de partida a Xunta vén de dar mostras de non ter especial interese en enfrontarse ao atribulado Concello compostelán neste asunto. A través de senllas preguntas o PSdeG e o BNG trasladaron o asunto á sesión que a comisión de Urbanismo do Parlamento celebrou este xoves. Convencidos do nulo interese público do proxecto e, como a veciñanza, do seus problemas de encaixe legal, esixiron que a Xunta se implique no asunto. O contencioso tamén é cousa do Goberno galego, argumentou o socialista Xosé Sánchez Bugallo, entre outras cousas porque a zona afectada se inclúe no denominado "perímetro azul" da zona vella e non está afectada pola delegación de competencias de 2012 e tamén porque é unha zona verde, di o ex alcalde de Santiago. "Non ten licenza, non hai adxudicación e incumpre os requisitos formais mínimos como para ser considerada unha obra legal", di Bugallo. "Unicamente pretende beneficiar unha empresa privada a costa de cargarse unha parte dun parque", di a nacionalista Ana Pontón. "Unicamente pretenden beneficiar unha empresa a costa de cargarse unha parte dun parque" Ao outro lado Bugallo e Pontón atoparon a resposta lida pola secretaria xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, quen se remitiu en todo momento ao expediente informativo aberto ao respecto pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) a instancias da plataforma veciñal para non ofrecer xuízos concluíntes. Non obstante, Rivas xa avanza que o polémico acceso ao parking privado e a rotonda que o acompaña "non parecen ofrecer dúbidas a respecto da súa adecuación para mellorar as condicións de tránsito e mellorar a calidade de vida" na zona. "Cuestión aparte é a consideración do procedemento" e a súa "adecuación ao marco legal", di. Pero sexa como for, salienta, as obras non poden ser paradas "a través da coacción e da presión veciñal", porque iso supón "reverter o Estado de Dereito", proclama, obviando o carácter abertamente pacífico de todas as mobilizacións. A oposición lembra que a Axencia da Legalidade Urbanística está a analizar o asunto a instancias da plataforma veciñal "Cando os veciños e as veciñas protestan non é unha coacción", retrucou Pontón, que lamentou a "ofensa" da alto cargo á veciñanza compostelá. A parlamentaria do Bloque pregúntase "en que se basea" a secretaria xeral para "dicir que hai un manifesto interese xeral nestas obras" xa que, como apuntou Bugallo, o único informe ao respecto que existe é o encargado pola empresa propietaria do aparcadoiro. Mentres Pontón dubida das intencións do Concello santiagués e da propia Encarnación Rivas, imputada por prevaricación urbanística pola súa etapa en Sanxenxo, Bugallo di ter "clarísimo o que está pasando aquí": no que atinxe ás zonas verdes a lei fixa que "en caso de dúbidas na interpretación no planeamento urbanístico" debe prevalecer a "menor edificabilidade e a maior protección ambiental". Tamén o que fora rexedor de Santiago se pon do lado da veciñanza ao manter que non existe "coacción" ningunha, senón "inacción clara da administración". Os populares falan de "colaboración coa cidadanía", pero deberían ter en conta "o conxunto da cidadanía" e non unicamente "un cidadán", o propietario do aparcadoiro. "Son os cidadáns os que acuden á APLU" e despois á Fiscalía e só cando o Ministerio Público comezou a actuar, subliña, o Concello deu en frear o proceso para, por exemplo, admitir a necesidade dunha licenza. Pero a Xunta "non prexulga". |
PRAZA_9875 | Ao lanzar a súa promesa estrela de crear un Ministerio de Familia para revitalizar a natalidade os populares non están a lembrar que un departamento coma ese xa existiu na Xunta, que contou con Consellería de Familia de 1994 a 2005. Mentres existiu a demografía galega pasou por diferentes ciclos que non cadraron coa creación nin coa desaparición deste departamento | Unha das ideas forza coa que Pablo Casado acudiu a Santiago a pasada fin de semana foi a de prometer a creación dun Ministerio da Familia no caso de que poida gobernar tras as eleccións xerais do 28 de abril. O líder do PP encadrou esa promesa na loita contra o "inverno demográfico" e complementouna asegurando que, de ser presidente do Goberno de España, apoiará a antiabortista Red Madre -ente creado polo Foro Español de la Familia- como xa está a facer a Xunta dende hai unha década.Ao lanzar a súa proposta de Ministerio de Familia os populares non están a lembrar que un departamento coma ese xa existiu na Xunta, que contou con Consellería de Familia de 1994 a 2005En clave estatal a proposta de Casado foi lida tamén en clave de eventuais pactos postelectorais con Ciudadanos e Vox. Non en van, a creación dunha Consellería de Familia -finalmente, de Saúde e Familias- foi un dos puntos máis mediáticos dos acordos que deron lugar, a finais de 2018, ao acordo de dereitas para gobernar Andalucía. No entanto, nin daquela nin agora os propios populares lembraron que a creación -cando menos, nominalmente- dun departamento gobernamental especificamente dedicado á familia xa foi posto en práctica en Galicia. Concretamente, sucedeu durante once anos anos sen que se percibisen cambios especialmente relevantes na dinámica demográfica de xeito inmediato nin cando foi creada nin cando desapareceu.Manuela López Besteiro estivo á fronte da Consellería de Familia de 1994 a 2003, cando foi substituída no cargo por Pilar RojoFoi na segunda lexislatura de Manuel Fraga como presidente da Xunta, a iniciada tras as eleccións ao Parlamento de 1993, cando o Goberno galego tivo por primeira vez unha Consellería de Familia, Muller e Xuventude. Fraga situou á súa fronte a Manuela López Besteiro, que recuncou como titular do mesmo departamento na lexislatura seguinte, cando pasou a denominarse Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude nuns anos nos que a Xunta ía gañando competencias en materia laboral.López Besteiro seguiu á fronte deste mesmo departamento na primeira metade da que sería derradeira lexislatura de Fraga na Presidencia. A principios de 2003, en plena crise do Prestige, o fundador do PP enviou á veterana conselleira como cabeza de lista do PP para as municipais en Lugo, que rematarían cunha maioría absoluta do PSdeG de Xosé López Orozco. No seu lugar tomou posesión Pilar Rojo como nova conselleira dun departamento que, ao fío do naufraxo do petroleiro, pasou a ser Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado e, pouco despois, Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.Os datos demográficos de Galicia empeoraron durante a primeira media década da Consellería de Familia e despois melloraron ata o estourido da crise económicaOs datos demográficos daqueles anos non parecen indicar que a existencia ou non dunha Consellería de Familia condicionase especialmente o dinamismo demográfico do país. Así, durante a primeira media década en que existiu este departamento o saldo vexetativo de Galicia seguiu empeorando ata tocar fondo en 1999, con case 11.000 mortes máis que nacementos. No anos seguintes a natalidade aumentou un chisco e o saldo vexetativo comezou a mellorar. Pero o certo é que o seguiu facendo tamén despois de 2005, cando coa chegada do Goberno de coalición de PSdeG e BNG a Consellería de Familia foi remudada pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. En 2008 o número da nacementos en Galicia foi o mellor en dúas décadas, pero co estourido da crise económica regresou a senda descendente e o saldo vexetativo emprendeu outra volta un devalo que aínda continúa. |
NOS_17615 | A pandemia disparou a actividade da Valedora do Pobo durante 2020, cun 28% máis de asuntos que en 2019, especialmente a partir do mes de marzo, cando a chegada do virus motivou a declaración do estado de alarma. | Desde ese 14 de marzo de 2020 no que foi declarado o primeiro estado de alarma para facer fronte á crise sanitaria até o 21 de xuño, día no que decaeu; a Valedora xestionou un total de 222 asuntos relacionados coa pandemia, case a metade do total de expedientes dese período. Ademais, abriu 33 actuacións de oficio durante este período de confinamento que, unha vez superado, mantivo a tendencia á alza no número de asuntos tratados desde a institución, até o final dun ano 2020 que fechou con incrementos cuantitativos en todos os parámetros de medición da actividade. Estes datos están recollidos na memoria anual de actividade da institución, que foi presentada en rolda de prensa pola Valedora, María Dolores Fernández Galiño, logo de facer entrega do informe ao presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices. Así, os asuntos totais no ano foron 2.912, un 28% máis que en 2019, un incremento similar ao rexistrado no número de persoas que se dirixiron á Valedora para solicitar asesoramento, que creceu un 27% até os 7.526. A sanidade, á cabeza Na análise por áreas, destacan os asuntos vinculados á sanidade, que representaron o 12,44% (316) do total de expedientes xestionados. Situouse a continuación o emprego público (319, o 10,96%), inclusión social (316, o 10,82%) e aquelas relacionadas coas administracións locais e os servizos municipais (266, o 9,11%). Así, a Xunta foi un ano máis a administración á que máis se tivo que dirixir a institución, con máis do 57% das actuacións totais polo 40% dirixido aos concellos, mentres que deputacións, universidades, corporacións públicas ou mancomunidades apenas suman o 2% do total de asuntos. En canto aos departamentos da Xunta, a Consellaría de Sanidade centrou un de cada tres asuntos dirixidos á Administración galega. Foron un total de 392 as cuestións relativas á área de sanidade, unhas 160 máis que a seguinte na lista, a Consellaría de Política Social; datos que, como resaltou Fernández Galiño, evidencian o impacto da crise sanitaria. Logo destas sitúase Educación, sobre a que se produciron 160 asuntos que representan o 13,5% dos 1.184 vinculados á Xunta. Medio Ambiente, Territorio e Vivenda co 8,2% (98 asuntos) e Economía e Facenda, ambas co 5,66% (67 expedientes), completan as áreas con maior número de asuntos. En canto ás deputacións, rexistráronse 35 queixas, 28 delas concentradas na Coruña e Pontevedra. Por municipios, destacan as cifras das sete grandes cidades, coas 67 de Pontevedra á cabeza; aínda que tamén hai concellos máis pequenos cun importante número de queixas, como é o caso da Guarda (32), Pereiro de Aguiar (16), Paradela (11) ou San Cibrao das Viñas (10). Das 78 actuacións de oficio executadas pola Valedora, 24 estiveron relacionadas coa área de inclusión social e 11 coa de medio ambiente, seguidas por corporacións sociais e servizos municipais (9), vivenda e desafiuzamentos (9) e igualdade de xénero (8). 900 queixas recibidas sobre o CRA de Salceda Ademais, o informe do Alto Comisionado recolle unha clasificación de queixas cun mesmo asunto e varios reclamantes, un ranking encabezado polas máis de 900 recibidas fronte á Consellaría de Educación polas altas temperaturas rexistradas no CRA de Salceda de Caselas. As peticións de unir nunha mesma convocatoria as prazas das ofertas públicas de emprego de 2020 e 2021 con máis de 700 queixas, a construción dunha liña de alta tensión en Lousame con 180 ou as críticas á Consellaría de Medio Ambiente pola "falta de conservación" de bosques autóctonos con 120, foron outros dos asuntos colectivos con máis expedientes. |
NOS_28974 | Peza chave no movemento político militar que trouxo a democracia ao país veciño, significouse como un amigo da Galiza. | Otelo Saraiva de Carvalho, unha das grandes referencias da revolución portuguesa de 25 de abril de 1974, finou este domingo nun hospital de Lisboa, onde estivo internado durante os últimos 15 días. Peza chave no movemento político militar que trouxo a democracia ao país veciño, significouse como un amigo da Galiza. Nado en 1936 en Maputo, Mozambique, desenvolveu boa parte da súa carreira militar en diversos destinos África, onde adquiriu unha conciencia anticolonial, que marcou a súa posición política. Destinado a Lisboa en 1973, converteuse nun dos organizadores do movemento dos capitáns e, posteriormente, en responsábel do sector operacional da coordinadora do Movemento das Forzas Armadas (MFA). Así, o 25 de abril de 1974 dirixiu a levantamento revolucionario na área de Lisboa, desde o comando clandestino instalado no cuartel da Pontinha. Candidato en diversas eleccións presidenciais, rematou sendo detido en 1985, acusado de facer parte do núcleo de dirección das Forzas Populares 25 de abril Comandante militar da rexión de Lisboa, responsábel do Comando Operativo de Continente(COPCON), membro do Consello da Revolución e integrante de varios dos Gobernos provisorios, o proceso de involución aberto após o golpe de 25 reaccionario de novembro de 1975 desprazouno das súas responsabilidades e abriu a porta á persecución da súa persoa. Candidato en diversas eleccións presidenciais, rematou sendo detido en 1985, acusado de facer parte do núcleo de dirección das Forzas Populares 25 de abril. Saraiva de Carvalho mantivo até os seus últimos días un compromiso insubornábel cos principios da revolución de abril e unha fonda relación con Galiza. Se nos primeiros momentos do proceso revolucionario prestou a súa colaboración ás organizacións galegas que loitaban contra a ditadura, merecendo destaque a súa axuda á Fronte Armada da UPG dirixido por Xosé Ramón Reboiras, as décadas seguintes seguiu acudindo ao país a diversos actos culturais e políticos, onde amosou un profundo coñecemento do problema galego. |
NOS_46076 | Ciudadanos, Catalunya Si que Es Pot, PSC e PP votan en contra da lei que dá cobertura á Axencia Tributaria Catalá e que sae adiante cos apoios de JxS e CUP. | O Parlament de Catalunya aprobou a lei que dá cobertura á Axencia Tributaria Catalá (ACT), a primeira das tres leis de desconexión, que saíu adiante embora o voto en bloque en contra de todas as formacións non independentistas. Cs, CSQP, PSC e PP sumaron 62 escanos, que non foron de abondo para evitar que a lei saíse adiante cos apoios de Junts pel Si e CUP, que sumaron 71 asentos. A lei aprobada, de Código tributario, procura crear un sistema tributario proporcional e redistributivo catalá que ten entre os seus obxectivos frear a evasión fiscal, asegurar a xustiza fiscal e dar unha maior autonomía á ACT, tanto no que se refire a persoal, como a patrimonio e outras cuestións. Lluis Salvadó, secretario de Facenda da Generalitat, destacou a importancia da lei aprobada para sentar as bases do "despregamento da futura facenda catalá". É a primeira das tres leis de desconexión que se aproba no Parlament de Catalunya, as outras son a relativa á Seguridade Social e a lei de Transitoriedade Xurídica. |
PRAZA_18986 | Feijóo e o secretario xeral do PP censuran a "parálise orzamentaria" das cidades pero exclúen dela a Ourense, cuxo alcalde prefire "non dar unha data nin dicir con rotundidade" cando terá o proxecto | Só dúas das sete cidades galegas comezan 2017 cos seus novos orzamentos en marcha: Vigo e Pontevedra. O goberno vigués deu luz verde definitiva ás súas contas no pleno do pasado día 27 e Pontevedra desbloqueou a situación catro días antes aprobándoos inicialmente tras a inclusión no proxecto do goberno do BNG de seis emendas da Marea, que anteriormente modificara o proxecto co resto de grupos da oposición. Os restantes gobernos urbanos comezan o ano coa vista posta en tentar aprobar o orzamento de 2017 e tres deles traballan coas contas prorrogadas de 2016; outro, o de Ferrol, xestiona sobre o último orzamento aprobado, o de 2015, e Ourense vén de prorrogar un ano máis as contas de 2014. Neste contexto o PP proclama a existencia dunha situación de "caos" na Galicia urbana pero exclúe dela precisamente a Ourense, a única cidade na que goberna. O argumentario despregado polos populares galegos durante as últimas semanas tanto dende o atril da Presidencia da Xunta como dende a sede do partido diríxese fundamentalmente ás tres cidades gobernadas polas mareas -A Coruña, Santiago e Ferrol-, pero esténdese en xeral a todas as cidades sen alcaldía do PP, nas que impera "o bloqueo e o caos", en verbas do secretario xeral dos conservadores, Miguel Tellado. Nun sentido semellante expresábase tamén nos últimos días o presidente da Xunta, quen asegura que "como presidente dos galegos" está "preocupado" pola "parálise orzamentaria e dende o punto de vista das ordenanzas e da ordenación das cidades. "Levamos un ano e medio coas cidades galegas paralizadas", mantén, e iso é "moi prexudicial". Feijóo e o secretario xeral do PP censuran a "parálise orzamentaria" das cidades pero exclúen dela a Ourense, cuxo alcalde prefire "non dar unha data nin dicir con rotundidade" cando terá o proxecto O certo é o único concello urbano do país no que as decisións plenarias dependen unicamente do grupo que sustenta o goberno é Vigo por mor da maioría absoluta da que dispón Abel Caballero. No resto o ritmo de aprobación das primeiras contas do mandato foi dispar e en dúas, Ferrol e Ourense, os gobernos deron en renunciar a sacalas adiante mentres marcaban o obxectivo de tentar aprobar as de 2017. No caso ferrolán durante o ano que vén de rematar o gabinete que encabeza Jorge Suárez sumou ao goberno en minoría unha dificultade: a ruptura do acordo de coalición co PSdeG, e na actualidade coida que un achegamento ao BNG podería ser o primeiro chanzo para sacar adiante o seu primeiro orzamento. En Ourense o equipo do PP navegou durante 2016 entre modificacións de crédito e, mentres paira sobre el a posibilidade dunha moción de censura, o alcalde, Jesús Vázquez, prefire "non dar unha data nin dicir con rotundidade" cando podería presentar un proxecto orzamentario que, en calquera caso, precisaría do apoio dos socialistas ou de Democracia Ourensana. Polo momento, non haberá avance ningún ata finais deste mes, cando os técnicos municipais presenten o peche do pasado exercicio, di. Cumprirá tamén sacar adiante a relación de postos de traballo (RPT), cuxo freo por parte da intervención municipal foi tamén un dos lastres para aprobar as contas do pasado ano. Vigo xa ten as contas de 2017 e Pontevedra aprobounas inicialmente; os gobernos da Coruña, Santiago e Lugo procuran pactos para aprobalas Os pactos tamén son necesarios para sacar adiante os orzamentos da Coruña, que xa pasaron polo pleno municipal para a súa aprobación inicial e foron rexeitados polos votos de PP e PSOE, o que motivou que o alcalde, Xulio Ferreiro, abrise un novo período de negociacións cos socialistas, dunhas dúas semanas. Se o pacto non chega, advirte, activará o mecanismo da cuestión de confianza. O horizonte semella un chisco algo máis despexado en Santiago, onde o goberno de Compostela Aberta xa presentou un proxecto de contas. A aritmética actual do pleno, cun edil socialista menos, permitiría ao equipo de Martiño Noriega aprobar o proxecto orzamentario só co apoio do Bloque, se ben o rexedor asegurou que, na medida do posible, tentará que os socialistas faciliten a súa aprobación. Os populares manteñen que na Galicia urbana hai "dous modelos", o "serio e responsable de Feijóo" ou "o dos apóstolos do bloqueo, o caos e o sectarismo" Mentres, en Lugo, o goberno do PSdeG deu sacado adiante as ordenanzas fiscais o pasado novembro e traballa xa nun proxecto orzamentario que o pasado ano foi aprobado na primavera. Así e todo, a alcaldesa, Lara Méndez, vén advertindo de que os prazos das contas estarán supeditados á nova RPT, cuxo proxecto foi entregado aos sindicatos e á oposición municipal na última semana do ano. No caso da capital lucense a procura de acordos comeza por Lugonovo, que en 2016 votou a prol das contas tras unha negociación que, no caso do BNG, ACE e Ciudadanos derivou na abstención. Malia a este mosaico de contas por aprobar e aínda que as dificultades non son menores no único concello con goberno popular, para os conservadores na Galicia urbana só hai "dous modelos": o "serio e responsable de Feijóo" ou o dos "apóstolos do bloqueo, o caos e o sectarismo", di Tellado. "Sen orzamentos, sen proxecto de cidade e sen perspectivas de mellora nos próximos meses, os membros dos seus gobernos son coma os músicos da orquestra do Titanic, que mentres os seus barcos se funden seguen tocando a súa melodía". Mentres, en Ourense, o alcalde mantén que o goberno do PP pode afirmar que deu lugar a un "exemplo de cidade fronte a outras, paralizadas". |
NOS_32515 | O Tribunal Xeral da UE acepta a medida cautelar solicitada pola defensa dos tres eurodeputados. | O Tribunal Xeral da Unión Europea aceptou a medida cautelar solicitada pola defensa de Carles Puigdemont, Toni Comín e Clara Ponsatí e restituíu temporalmente a súa inmunidade, retirada a principios de marzo polo Parlamento Europeo coa aprobación da petición, pero cunha forte división política. Luxemburgo aceptou a medida mentres estudaba o fondo do recurso presentado polos avogados dos líderes independentistas exiliados, pero o tribunal poucas veces acepta medidas cautelares. No caso de Puigdemont e Comín, por exemplo, denegoulles a solicitude de medidas cautelares para asistir á sesión constitutiva do Parlamento Europeo o 2 de xullo de 2019 en Estrasburgo. Luxemburgo aceptou a medida mentres estudaba o fondo do recurso presentado polos avogados dos líderes independentistas exiliados, pero o tribunal poucas veces acepta medidas cautelares. A defensa denunciou ante o TXUE as irregularidades do proceso de petición no Parlamento Europeo. A defensa dos eurodeputados asegurou a VilaWeb que nunca se concedera unha medida cautelar anulando un suplicatorio. Engadiu que un estado membro da UE solicitou unha petición para encarcerar un eurodeputado. O Parlamento Europeo retirou en marzo a inmunidade do ex president Carles Puigdemont e dos ex consellers Toni Comín e Clara Ponsatí de acordo coa petición enviada polo Tribunal Supremo español hai máis dun ano. O pleno do Parlamento Europeo aprobouno no caso de Puigdemont con 400 votos a favor dos 693 votos emitidos, 248 en contra e 45 abstencións. É dicir, 400 votos a favor de levantar a súa inmunidade e 293 que non a avalaron, o que supón un 42% de votos críticos. Foi o resultado dunha forte oposición política, moito máis dos 100 votos dos Verdes-EFA e da Esquerda Unida Europea que anunciaran que se oporían a ela. |
NOS_15321 | Deputados do PSOE e Unidas Podemos critican a posición do BNG de non apoiar os orzamentos do Estado. Porén, "as contas son as que son e é difícil disimulalas", di o deputado do BNG, Néstor Rego, criticando que "nun momento en que os investimentos medran 68%, na Galiza baixen 11%". Parece, engade, "un castigo do Goberno estatal ás galegas e galegos". | O Congreso continúa debatendo os Orzamentos Xerais do Estado para 2021 nuns plenos que iniciaron na segunda feira e culminarán mañá, e nos que cada ministro presenta as partidas dos seus departamentos e os grupos políticos defenden as súas emendas. Entre as contas debatidas esta terza feira, 1 de decembro, tocaron as de Transportes. O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, chamou a atención do ministro José Ábalos pola caída do investimento na Galiza de 11%, "104 millóns menos que nos orzamentos de Montoro que o PSOE, con razón, dixo que eran unha labazada para as galegas e galegos", sinalou Rego, que non comprende que "nun momento en que os investimentos medran 68% no Estado, na Galiza baixen 11%. Parece un castigo do Goberno estatal á Galiza", lamentou. Aliás, o nacionalista cargou contra o argumento do Goberno de que os orzamentos para Galiza baixen pola finalización das obras do AVE. "É falso porque entre eses proxectos está a variante de Ourense, valorada en 600 millóns e para a que só consignan 29" reprochou. Con todo, Rego remarcou que a prioridade do Bloque son as conexións interiores e lamentou os "cero euros" que se destinan para a conexión do porto exterior da Coruña, a liña desta cidade con Lugo, o Feve Ferrol-Ribadeo e cualificou de "insuficientes" os cartos para a saída sur de Vigo e o corredor atlántico. PSdeG e En Común cargan contra a posición do BNG Para o viceportavoz do PSdeG, Pablo Arangüena, a posición do BNG de non apoiar os orzamentos "fai o caldo gordo a Feixoo, Ayuso, Abascal e a toda a dereita española". O socialista dixo que "é unha completa falacia" que as contas "sexan malas para Galiza" porque, "malia o descenso no investimento directo pola finalización do AVE, estamos significativamente por riba da media en investimento directo do Estado". O deputado de Unidas Podemos no Congreso e portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, considerou as contas "boas para o Estado e para as galegas e galegos cun orzamento de 308 euros por habitante". Esta semana, dixo, "aprobaranse uns orzamentos históricos" e engadiu que "os que voten 'non', deberán explicar á que intereses responden". Mais segundo afirmou Rego, en declaracións a Nós Diario, son PSOE e Podemos quen teñen que explicar por que votan a favor duns orzamentos que discriminan Galiza e por que din 'non' a emendas do BNG para melloralos, como é a proposta de destinar 20 millóns á conexión ferroviaria do porto exterior da Coruña ou subir as pensión mínimas até equiparalas co salario mínimo interprofesional. |
NOS_53912 | O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña vén de estimar de maneira íntegra a demanda para a devolución do Pazo de Meirás interposta polo Estado, ao que declara propietario do inmóbel, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. Tamén condena a familia Franco á súa devolución sen ser indemnizada polos gastos nos que afirma ter incorrido para o mantemento da propiedade. | No procedemento xudicial, a Xunta da Galiza, os concellos de Sada, A Coruña e a Deputación coruñesa defenderon a postura da Avogacía do Estado, mentres que como demandados constaban seis familiares de Francisco Franco e unha sociedade limitada. A maxistrada Marta Canales declara na sentenza a nulidade da doazón efectuada en 1938 da "finca denominada Torres ou Pazo de Meirás ao autoproclamado xefe do Estado, Francisco Franco Bahamonde, por carecer do requirimento esencial de forma". En relación a este fundamento, aclara a xuíza que, o mesmo ano en que se efectúa a doazón, constitúese unha Xunta Pro Pazo "do Caudillo" para comprar e regalar o Pazo de Meirás "ao Xeneralísimo dos Exércitos e Xefe do Estado Nacional". A maxistrada rexeita o argumentrio da parte demandada, que terá que devolver o pazo ao pobo "O seu nome era Francisco Franco Bahamonde, pero non se lle agasalla a el por si mesmo, senon ao xefe do Estado", engade, apoiando así os argumentos dos demandantes e rexeitando os da parte demandada nunha sentenza dunhas 400 páxinas. Canales entende que a operación que se fixo como compravenda respondeu a "unha simulación". Así non entendeu que fose certo o argumento da familia que di que aquel trámite era "só co obxecto de polo ben ao seu nome". Nulidade da escritura En tal situación non é preciso restituír nin o ben patrimonial nin un pago por él porque foi incorporado á fortuna dos Franco "de mala fe". A xuíza detecta esa forma de actuar "cando, tras aceptar o caudillo a doazón do Pazo de Meirás, na súa calidade de xefe de Estado, outorga unha escritura pública o 24 de maio de 1941 coa soa finalidade de inscribir este ben ao seu nome no Rexistro da Propiedade, sen mediar prezo algún". A xuíza entende que a familia Franco incorporou a propiedade ao seu patrimonio "de mala fe" De feito, Canales recorda que o Estado foi o que se fixo cargo dos gastos desta residencia estival e que "o Pazo de Meirás se xestionaba de forma idéntica ao pazo de El Pardo". Neste contexto, na sentenza recóllese que a escritura é considerada nula, como tamén é a doazón dunhas leiras que aparece nun documento datado en novembro de 1982. Mentres os avogados dos Franco pensan que o momento elixido para presentar a demanda é "un atraso desleal", para a responsábel da sala "a posibilidade de articular a demanda nace dun importante estudo histórico e dun consenso social, logrado após moitos anos, que responde a unha madurez do noso sistema democrático". Neste sentido advirte de que o Estado "nunca renunciou aos seus dereitos". No documento legal, conclúese que "a parte actora demostrou a nulidade do título de compravenda esgrimido polos demandados e acreditou de forma contundente a posesión pública, pacífica, ininterrompida e en concepto de dono ao seu favor". "Coas consecuencias de que a totalidade da leira debería inscribirse no Rexistro da Propiedade a favor da demandante e as inscricións contraditorias existentes a favor dos demandados haberían de cancelarse", subliña. Oito millóns de euros Contra esta decisión, as e os parentes do ditador aínda poden presentar un recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña. Todo o proceso e a polémica por este intento de venda xurdiron hai varios anos nada máis pór as e os herdeiros a propiedade anunciada nunha inmobiliaria cántabra de luxo (Mikeli) por 8 millóns de euros. En 2018 houbo outro intento de sacar un rédito económico ao inmoble, máis a contestación cidadá e das institucións públicas mantívose como até entón e obrigou as persoas achegadas ao ditador a agardar unha resolución xudicial. Un dos colectivos máis activos na reivindicación desta propiedade foi o dos 19 de Meirás, que segue a perseguir o seu obxectivo. |
NOS_33182 | Após o novo informe do Consello de Europa. | O Consello de Europa fixo público o informe de avaliación a medio termo do quinto ciclo de avaliación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas elaborado polo comité de expertos deste tratado internacional, onde se constatan de novo os incumprimentos respecto ao galego. O documento insta ademais a informar das accións tomadas para cumprir o tratado antes do 1 de agosto de 2023. Tal e como recolleu Nós Diario na quinta feira, 1 de abril, nunha información sobre as conclusións do comité de expertos, o informe sinala a gravidade da situación no ensino, indicando que segundo o compromiso do Estado e da Xunta "o ensino debe ter o galego como lingua de instrución" e que "o marco legal actual é contrario aos compromisos do Estado español", polo que "non todas as limitación ao ensino en galego foron eliminadas" tal e como está comprometido. Desde a CIG-Ensino piden a derrogación do decreto de plurilingüismo e lembran que levan anos traballando "para que se solucione o problema da paulatina desaparición do galego no ensino, tanto desde a mobilización e a resposta social como desde a elaboración e propostas para saírmos da situación de emerxencia lingüística na que está o noso país, camiño da perda constante de falantes e cunha especial incidencia na mocidade". Apuntan que no ano 2020 fixeron parte da "Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza", documento que elaboraron conxuntamente n varias entidades vinculadas ao ámbito educativo e da normalización lingüística (A Mesa, AS-PG, Nova Escola Galega, CIG; Confederación de Anpas, STEG e CSIF). "A proposta de consenso foi achegada a todos os partidos o pasado mes de outubro de 2020 mais o PP vetou a presenza no Parlamento galego das entidades citadas por tres veces nestes últimos meses". "A CIG-Ensino fai un novo chamamento a que partidos políticos, gobernos, entidades, nais e pais, profesorado e sociedade en xeral coloquen na axenda a asunción de responsabilidades e medidas para reverter a situación actual, xa que de non reaccionamos inmediatamente pode tornarse irreversíbel". |
NOS_23923 | Once versións do seu propio cancioneiro e un inédito conforman Immersion, o novo disco de Guadi Galego, á venda en outubro. O primeiro adianto do traballo aparecerá o vindeiro 31 de maio e consiste nunha regravación da emblemática Cedeira, acompañada de Iván Ferreiro. | "É unha revisión musical e lingüística das miñas tres últimas obras", expón Galego (Cedeira, 1974) a Sermos Galiza, "porque pasei un intre de catarse e quixen volver atrás. Creo que lle sucede a moitos artistas, o que pasa é que tamén dá moita preguiza". Lúas de outubro e agosto (2014), O mundo está parado (2016) e Bóla de cristal (2018), tratados pop con querenzas folk, son as fontes de Immersion, que publicará Boa. A relectura é musical e é lingüística. As cancións pasan a sete idiomas, todos falados na Península Ibérica: catalán, euskera, occitano, aranés, asturiano, portugués, castelán e galego. "Pensei nos meus fillos e fillas. Quería que escoitasen esas linguas, algunhas moi minorizadas", di. E os arranxos mudan, incorporan unha morea de colaboracións e danlles outra vida ás pezas. Fundamentalmente intimista, é a produción a que unifica o son. "É un disco para a escoita, para que a xente abra a mente e os ouvidos", sinala, "ao cabo, trátase dun disco arriscado. As persoas teñen un imaxinario sobre como eran estas cancións, e a revisión que fago é bastante heavy. Pero se te moven por dentro, xa está". "Outro xeito de ollalos, unha visión íntima de cada un", escribiu recentemente nas redes sociais. Despois de Cedeira, Guadi Galego publicará outro avance de Immersion, Fronteiras. Cantará en catalán coa pianista jazz Clara Peya e a cantante Judit Neddermann. |
NOS_18604 | O presidente galego critica a retirada de fondos para políticas de emprego que o Executivo estatal non entregará aos diferentes territorios, un total de 100 millóns de euros. | O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, salientou após a reunión de mandatarios mantida con Pedro Sánchez, que o Executivo estatal "lle retira moito máis do dobre do que lle dá" a Galiza en canto a orzamento se refire. Así, Feixoo criticou a retirada de "100 millóns de euros" que lle correspondían a Galiza dos fondos estatais para políticas de emprego e apuntou que o Executivo de Sánchez vai entregar "35 millóns" dos que aínda non se recibiu nada. "Esta retirada non a entendemos nin a compartimos", dixo. "Retiraron 100 millóns das políticas de emprego e se nos van dar 35 millóns de euros dos que, de momento, non recibimos nada: uns 16 millóns no eido social e outros 16 no sanitario. É evidente que isto é asimétrico", asegurou o presidente galego. Estes 100 millóns de euros, segundo manifestou, estaba previsto que se dedicaran ao "sector naval, da automoción e forestal", entre outros. Ademais, o titular do Goberno galego avanzou que o Executivo estatal traballa nun "borrador do plan de vivenda" no que "se comenta que nos poden retirar parte do que estaba contemplado". Neste sentido, Feixoo calculou que Galiza recibiría entre "35 e 40 millóns" menos para as políticas de vivenda. "Se hai lealdade ten que ser mutua", incidiu Feixoo, quen lembrou que "o Estado é o único que pode acudir ao Banco Central Europeo" e solicitar créditos. "Facemos esforzos para seguir pagando o incremento exponencial en sanidade e servizos sociais e ás axudas ás políticas que está levando a cabo o Estado", sostivo o presidente da Xunta. Entrega de tests rápidos Asemade, o presidente galego trasladou na súa comparecencia posterior á reunión que o Goberno do Estado distribuirá "un millón de tests rápidos" para a detección do coronavirus entre os diferentes territorios entre hoxe e mañá. Desta maneira, conta con que Galiza reciba "uns 60.000 mil" en relación á súa poboación. Trátase de test "rápidos", tal e como detallou Feixoo, que serven "para confirmar os positivos". Nos casos nos que estes test resolvan un resultado negativo, haberá que confirmalo a través doutra proba nos laboratorios de microbioloxía do Sergas. "Por cada test rápido negativo se gastará unha proba PCR como contraste", sinalou Feixoo, pois "sería prudente e apropiado repetir" e confirmar o resultado. Por outra banda, Feixoo asegurou que até este momento Galiza ten empregado "nun 90%" material de protección adquirido directamente pola Xunta e só un "10%" do Estado. Estas porcentaxes, segundo a súa valoración, son equivalentes no resto dos territorios estatais. Hospitais de campaña Feixoo informou de que o comité clínico do Sergas manterá unha reunión esta segunda feira na que se abordará, entre outras cousas, a situación dos dous hospitais de campaña proxectados na Coruña e Compostela. "Os acopios para instalar os hospitais de campaña están practicamente feitos", afirmou o presidente, quen precisou que "a instalación dependerá da presión asistencial". Con todo, certificou que a Xunta xa está preparada "para despregar os hospitais de campaña", mais aínda non é necesario. "Neste momento temos 270 camas de UCI ao dispor dos pacientes e temos previsión nos ámbitos de reanimación e quirófano para convertilas en UCIs. E con datos das 21 horas de onte, hai 170 camas ocupadas nas UCIs galegas", detallou. Os respiradores da Xunta O presidente galego non entrou a valorar a situación na que se atopan os respiradores "prepagados" pola Xunta e que aínda non chegaron a Galiza. Só confirmou esa compra e insistiu en que non anunciará ningún material até que non estea dispoñíbel no país. A conta disto, Feixoo fixo unhas consideracións para afirmar que "debemos manter unha boa relación sempre con China" e que "é un erro manter un recelo con ese país". "Hai tensións, hai discusións, pero manteñamos a calma", aseverou para engadir que "nós respiradores do Goberno estatal non temos, oxalá os poidamos ter nos vindeiros días". Aloxar aos asintomáticos A respecto da petición de información por parte do Goberno do Estado sobre infraestruturas dispoñíbeis para aloxar a pacientes con COVID-19 positivo pero sen síntomas, Feixoo dixo que "non foi unha proposta concreta" e que non é "capaz" de "concretar cal é obxectivo que persegue". "Parécenos que os positivos deben seguir nas súas casas se non teñen síntomas", asegurou, para indicar que existe un rexistro de estabelecementos hoteleiros privados e un inventario de lugares públicos e que "se o Goberno non os ten se lles facilitarán". |
NOS_15533 | Un total de 1.817.055 persoas na Galiza recibiron cando menos unha dose da vacina contra a Covid-19, polo que 25,98% da poboación albo a vacinar fica aínda á espera da primeira inxección. E todo, ao inicio dunha semana en que se computan 1.086 casos activos, dobrando os que había hai sete días. | Son 1.817.055 as persoas que na Galiza xa recibiron unha ou dúas doses da vacina contra o coronavirus, o que supón 74,02% da poboación albo a inmunizar, polo que 25,98% fica aínda á espera da primeira picada. Mentres, a chamada quinta onda da pandemia avanza e esta segunda feira, 19 de xullo, notificáronse 975 novos contaxios e até 11.086 casos activos na Galiza, o que duplica os datos de hai sete días. Os datos de vacinación indican que 65,59% da poboación albo a vacinar xa conta coa pauta completa, ao alcanzárense as 1.610.002 persoas co proceso finalizado, o que supón 612 persoas máis que a xornada anterior. Segundo os datos actualizados na mañá desta segunda feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até o feche da xornada de vacinación do domingo, administráronse 3.281.726 doses das 3.332.795 recibidas até a data -tras almacenar 17.600 viais máis-, que supoñen 98,46%. Por condición de vulnerabilidade, os últimos datos actualizados por Sanidade indican que se administrou polo menos unha dose a 15.271 persoas de alto risco e 14.876 completaron a pauta; mentres que 17.623 dependentes non institucionalizados recibiron polo menos unha dose e 17.411 contan coa pauta completa (todos eles sen cambios). Ademais, 26.555 persoas institucionalizadas recibiron como mínimo a primeira picada e 26.400 finalizaron o proceso (tamén sen variacións). En canto aos vacinados por probabilidade de exposición, 73.054 traballadoras e traballadores do ámbito sanitario recibiron cando menos a primeira dose e 71.856 están inmunizados. Así mesmo, administrouse a primeira inxección a 27.416 profesionais do ámbito sociosanitario e 26.771 contan coa pauta completa. Tamén recibiron como mínimo unha dose da vacina contra a Covid-19 no conxunto da Galiza 44.743 traballadores esenciais (tres máis que na xornada anterior) e 41.935 completaron o proceso (+4). En canto ás persoas que foron citadas a vacinarse pola súa idade, a 1.612.324 cidadáns administróuselles polo menos unha dose (+581) e 1.410.711 teñen a pauta completa (+608). Por grupos de idade Recibiron polo menos unha dose até o momento 131.248 persoas maiores de 85 anos (+2); 96.091 de 80 a 84 anos (+2); 134.290 de 75 a 79 anos (+4); 152.819 de 70 a 74 anos (+6); 161.139 de 65 a 69 anos (+53); 174.959 de 60 a 64 anos (+82); 181.550 de 55 a 59 anos (+42) e 194.278 de 50 a 54 anos (+109). A elas engádense 201.116 persoas de 45 a 49 anos (+151) e 188.123 de 40 a 44 anos (+10). Así, até a data foron vacinadas 389.239 cidadás e cidadáns de 40 a 49 anos, 87,86% duns 443.000 habitantes deste grupo de idade. Por iso, recibiron xa polo menos unha dose 1.615.613 persoas maiores de 40 anos na Galiza, que supoñen 93,92% das 1.720.101 chamadas a vacinar a partir desa idade. Aliás, foron vacinadas 135.636 persoas de 35 a 39 anos (+21) e 39.961 de 30 a 34 anos (+2), o que supón 175.597 cidadáns de entre 30 e 39 anos, 54,31% duns 323.300 a inmunizar na Galiza neste grupo de idade. Tamén recibiron polo menos unha dose 15.212 persoas de 25 a 29 anos; 9.231 de 20 a 24 anos; 1.319 de 15 a 19 anos e 83 de 10 a 14 anos -todos eles sen cambios-. Por tanto, 1.817.055 persoas recibiron polo menos unha dose da vacina en toda a Galiza, que constitúen 74,02% da poboación albo a vacinar. |
NOS_9543 | A costa de Vilanova de Arousa está conformada por un litoral típico do fondo da ría: baixo, con tramos areosos e rochosos, mar tranquilo e de pouca fondura, e terreo areoso lamacento do que, coa marea baixa, quedan en seco grandes superficies que son áreas de produción nas que se desenvolve unha importante actividade marisqueira que, na beira de terra, teñen praias que se empregan como lugares de lecer. | Un percorrido en coche achéganos aos lugares de máis interese. Podemos comezar ao pé do Centro de Investigacións Mariñas ou no peirao da Aduana, desde onde podemos ver case toda esta parte da costa, o illote da Gorma e a praia das Sinas; logo a estrada vai paralela e ao pé da praia das Sinas até o seu remate, onde podemos facer outra parada para ter outra vista do conxunto, da punta das Sinas e os seus cons, a praia Mosqueira e a punta Bornal. Desde aquí, a estrada cambia de dirección e un pouco adiante atopamos un espazo de lecer, onde estaba o antigo campo de fútbol, no que podemos facer outra parada para achegarnos á praia do Bornal e á punta e á praia de Fuciño do Porco, as praias máis próximas á vila e o dique de abrigo do porto. Continuando sempre polas rúas que van máis preto do mar chegamos ao porto de Vilanova de Arousa, no que faremos outra parada para ver un porto de pesca tradicional ampliado e remodelado hai poucos anos como consecuencia do importante desenvolvemento do cultivo do mexillón, e para dar unha volta pola vila; e máis adiante á boca do Esteiro onde hai unha ponte peonil que permite o paso ás praias do outro lado e tamén serve como punto de partida para os roteiros que percorren esta parte da costa. Paraxe: O Salnés (Ría da Arousa) / Concello: Vilanova de Arousa / Percorrido: 10 km (lineal en coche) + camiñadas / Dificultade: Baixa Seguindo pola beira chegamos á ponte pola que se cruza o Esteiro e desde onde se pode ver o espazo interior e as súas illas. Despois de cruzar a ponte do esteiro, ao pouco, temos un desvío á dereita que nos leva ás praias do Terrón e da Secada. Desde alí temos que volver á estrada para volver a deixala no seguinte desvío á dereita e achegarnos á praia do Bote e á ponte que leva á illa da Arousa. De volta na estrada atopamos unha rotonda, xiramos nela á esquerda e a uns metros temos un desvío que nos leva á beira do mar, ao pé dunha industria conserveira. Desde aí temos preto todos os puntos de interese da zona: a praia e o illote do Castelete, a praia das Patiñas e, un pouco máis alá o rego, do Alcalde e o peirao de San Miguel. Se nos achegamos camiñando a estes puntos xa podemos dar por rematado o percorrido porque o resto do litoral ata o límite con Cambados, é unha sucesión de pedras entre as que hai pequenas manchas de area degradadas e descoidadas sen interese ningún. |
NOS_13350 | Case un cento de galegas participaron en xuño dunhas xornadas sobre mulleres e islamofobia que se impartiron en Arteixo, na Coruña e Vigo co obxectivo de "dar voz e luz" a un colectivo, o das mulleres musulmás, vítimas de múltiples opresións. O programa continuará a volta do verán cun encontro en Donosti para achegar descubertas desta primeira fase. | "Persoalmente afondei en algo que xa sabía: na enorme variedade da poboación musulmá, das súas historias, problemas e orixes diversas. Permitiume ter máis claro que non ten sentido falar dun Islam monolítico e singular, se non dunha realidade enormemente variada que paga a pena coñecer e coa que paga a pena convivir". Quen fala é Carmen Valiña, creadora de Periféricas, unha escola de feminismos alternativos, periodista, historiadora, especializada en estudios árabes e islámicos, que vive en Tánxer, desde onde veu para impartir un dos talleres, baixo o título de discriminacións múltiples. As mulleres que sofren as discriminacións aínda se están preparando para falar. Empezaron a falar do seu nos talleres, o programa pretende que rematen falando en público, sendo elas quen expliquen o que lles pasa. "A relixión non é o que define a unha persoa. Teñen, temos, que ter o dereito a elixir se queremos levar un pano ou non levalo. Que ninguén nolo impoña, ni o Estado nin a relixión nin os homes SOS Racismo conta con oito organizacións territoriais no Estado. Só dúas se adheriron ao programa: a galega e a guipuscoana. "Muller musulmá en loita contra a islamofobia, que así se chama o proxecto, parte de realidades ben distintas", sinala Zorahaida Casales, a técnica encargada de dinamizar os traballos nas tres sedes no país –Arteixo, Coruña e Vigo–, "aquí na Coruña o oitenta por cento das participantes son senegalesas, haberá un dez por cento de sirias e marroquís e outro dez por cento doutras procedencias, e todas emigrantes". En Vigo, a maioría son "nacionais con ascendente musulmán", a segunda ou terceira xeración de marroquís, cunha cultura feminista máis consolidada e menos medos á hora de falar. O obxectivo do programa, que a volta do verán desenvolverá unha segunda fase cun encontro en Donosti para pór en común os primeiros achados, é a intervención social a partir de accións das propias mulleres. "Trátase de combater a islamofobia, pero tamén outras discriminacións. Elas sofren o machismo, coma calquera muller, pero tamén rexeitamento por levar o pano cubrindo a cabeza ou por seren negras", di Zorahaida. "Entre todas as agresións que identificamos, preocúpanme especialmente as discriminacións que afectan á vida cotiá polo impacto directo que teñen sobre a existencia destas mulleres" Senegalesas e marroquís, os grupos maioritarios de participantes, sofren de distinta forma a discriminación por razóns de relixión. "Para as marroquís, o Islam é parte fundamental da súa identidade e son identificadas como un grupo específico pola sociedade galega; as senegalesas son discriminadas, en primeiro lugar, pola raza, e a relixión aparece coma un elemento de menor relevancia na súa identidade", conta Valiña. "É o que chama a atención: levar o pano ou ser negra", resume Zorahaida. Mina Shayan, iraniana, profesora de lingua e cultura persa na Universidade de Vigo, dedicou un dos talleres a identificar o racismo e a islamofobia nos medios de comunicación, na súas intervencións respecto da imaxe mediática da muller musulmá explica como a visión dos media determina a discriminación social que sofren os emigrantes en xeral e as mulleres en particular. "Mina mostrounos como o descoñecemento do outro inflúe nos medos e no afastamento", conta Zorahaida, que recorda coma unha película (Non sen a miña filla, de 1990) estableceu unha imaxe medieval da sociedade iraniana. No taller, Shayan fai un percorrido pola imaxe da muller nas artes e na literatura de occidente, como se foi fixando un estereotipo de muller submisa, muller obxecto sexual, que combinado coa simplificación do islam dá lugar a unha dobre discriminación. "Para a sociedade occidental, polo feito de levar un pano, son sinaladas como parvas e submisas; mentres se pinta a seus pais e maridos como machistas polo feito de practicar o Islam", di Zorahaida, "e as vivencias da relixión e dos símbolos relixiosos son diversas e persoais, a min ninguén me sinalaría por levar un piercing ou o pelo vermello". A opresión que sofren as musulmás pola súa relixión non está no centro dos debates nos talleres. Tampouco, por agora, o colonialismo que puidera impoñer á loita feminista a visión emancipadora occidental. Apreman outros problemas. Como saír a tomar un café. Esa é unha das accións que emprende Zorahaida. Nun café das Conchiñas, unha tarde de verán, mulleres sirias, con pano, mulleres senegalesas coas crianzas, e activistas brancas comparten mesa. O que para calquera outras sería un acto social cotiá, para elas é inda hoxe un acto político. "Estamos visibilizándonos, normalizando situacións, e non temos que ser nós, as organizacións do terceiro sector as que vaiamos por aí dando charlas sobre islamofobia e racismo, teñen que ser elas as que falen". Mina, iraniana en Galiza; Carmen, galega en Marrocos; Zorahaida, con parella senegalesa, son parte da solución. O resto, virá delas, que inda non falan. Nas fotos de Facebook dos talleres as caras de moitas delas aparecen borradas. "A primeira tarefa consistiu en aclarar conceptos, que é o que pensan elas que sociedade galega pensa delas", recorda Zorahaida. A seguinte será unha auto-análise explorativa, di o programa, elementos para comezar a "acercarse aos sistemas de participación local" e a comprender e defenderse, individual e colectivamente. "Entre todas as agresións que identificamos, preocúpanme especialmente as discriminacións que afectan á vida cotiá polo impacto directo que teñen sobre a existencia destas mulleres", subliña Carme Valiña, e concreta: "preocúpanme os ataques directos contra musulmás con pano, os insultos, as dificultades para alugar un piso ou para conseguir un traballo". Nos talleres xa foron avanzando accións concretas que despois se discutirán no encontro de Donosti os primeiros días do outono. Xurdiron propostas para promover exposicións de fotografías, reivindicar ás mulleres musulmás que xogaron papeis importantes en diversos campos da ciencia, das artes ou da política, organizar ramadáns abertos, ocupar espazos públicos (tomar un café, sentarse a conversar en grupo nun parque…). Contarán con novas ferramentas despois dos talleres de Donosti, nos que ademais de Shayan e Valiña tomarán parte a antropóloga Fatima Tahiri ou a mediadora social Saliha Ahouari, para falar de prácticas de empoderamento; o activista LGTBi Daniel Ahmed Said, a activista de Dereitos Humanos Khadija Ryadi ou a socióloga Nacira Guénif, entre outras, que tratarán de avanzar nun diálogo entre feminismos. A partir de decembro, en todo o país, tal é a pretensión de SOS Racismo Galicia, faranse mesas informativas nas que as mulleres musulmás serán as que, por fin, falen. "Máis que dotalas de ferramentas específicas, do que se trata e de que elas lideren a loita contra a islamofobia, porque son as que a sofren e son as que poden falar das súas experiencias. Trátase de romper barreiras e crear espazos para colaboracións entre mulleres musulmás e galegas", conta Valiña. Arraigarse é abrirse, di unha máxima africana. "A relixión non é o que define a unha persoa. Teñen, temos, que ter o dereito a elixir se queremos levar un pano ou non levalo. Que ninguén nolo impoña, ni o Estado nin a relixión nin os homes. O que sucedeu en Francia, obrigalas a ir sen pano… para moitas era coma si aquí nos obrigan a ir espidas. O patriarcado funciona en todas partes e en todas as confesións e sociedades", reflexiona Zorahaida no seu despacho coruñés, preto onde tomar un café para algunhas mulleres inda é un acto político. Fotos (Cedidas): 1. Taller de Mina Shayan no Centro Ágora da Coruña en xuño pasado. 2. Cartel publicitario do programa de SOS Racismo 3. Zorahaida (esquerda, en primeiro plano) responsable de SOS Racismo Galicia 4. Taller de Carmen Valiña no Centro Ágora da Coruña en xuño pasado. |
NOS_12040 | Das categorías prebenxamín, benxamín e alevín. | A localidade de Narón repite como sede dos Campionatos Galegos nas categorías Prebenxamín e Benxamín, así como da Copa Alevín, logo do éxito da primeira proba disputada o pasado sábado 22 de xaneiro. Xa que logo, a segunda das etapas desta competición terá lugar tamén en sábado, neste caso o 19 de febreiro e nos pavillóns de A Solaina e Campo da Serra, grazas a unha nova colaboración entre o Club Narón-Volea Voleibol e o Concello de Narón. Unha vez que se leva a cabo este evento, o torneo -no que se congregan as novas promesas galegas de máis alto nivel- sairá de xira e chegará á Cidade das Burgas, Ourense, o vindeiro día 2 de abril, sendo a seguinte e derradeira parada prevista até o de agora a de Pontevedra o 23 do mesmo mes. Tal e como informan desde a Federación Galega de Voleibol (FGV), a inscrición dos equipos terá un límite de xogadores por club mínimo de catro integrantes e máximo de sete na categoría alevín, e de tres até cinco xogadores ou xogadoras na benxamín e prebenxamín, estando aberta até as 20 horas do 15 de febreiro, terza feira. A Federación Galega oferta catro bolsas Sen deixar o volei, a FGV, a través da Escola Galega de Adestradores "e co obxectivo de mellorar o proceso de aprendizaxe e a experiencia en eventos nacionais dos adestradores e adestradoras galegas" oferta catro bolsas para acompañar as seleccións galegas infantil e cadete nos vindeiros Campionatos de España de Seleccións Auton 2022, que se disputarán en Valladolid do 12 ao 15 de xullo. Poderán aspirar ás mesmas quen nos últimos cinco anos obtivese o título nivel 1 ou nivel 2, sendo imprescindíbel que conte con dispoñibilidade para desprazarse co grupo até Castela. |
NOS_58424 | Tres mozos foron identificados e ameazados cunha multa de 600 euros en Iruñea, durante as celebracións dos sanfermíns, por levaren unha camiseta de apoio aos xoves da localidade navarra de Altsasua. | Os feitos acontecían o pasado domingo día 9 de xullo. A policía parou unha persoa por levar unha camiseta co lema "Etxera #AltsasukoakAske Muntai polizialik ez STOP montajes policiales" e ameazouna con denunciala. Á pregunta de se era ilegal levar esa camiseta, os policías responderon que si. Outros xoves achegáronse a apoialo, rematando dous deles identificados polas forzas policiais após momentos de tensión. Os axentes sacaron unha imaxe da camiseta e informaron o mozo que a levaba de que fora multado con 600 euros. Na localidade de Altsasu tivo lugar unha concentración para denunciar os feitos. |
NOS_48332 | Daniel Asorey escribe o Manifesto da asociación | "Os dous, da terra lonxe / andamos e sufrimos, ¡ai de min! / Mais ti tan sóio te recordas dela, / i eu, dela e mais de ti. // Ambos errantes polo mundo andamos / i as forzas acabando van. / Mais, ¡ai!, ti nela atoparás descanso, / i eu tan sóio na morte o hei de atopar", escribe Rosalía de Castro no poema Tan sóio, case na fin do impresionante Follas Novas (1880). Deste poema extraeu Daniel Asorey a idea e a inspiración para redactar o Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) no Día de Rosalía de Castro 2020. Ao longo desta fin de semana, o texto lerase en innúmeros actos de conmemoración do 183 aniversario do nacemento da poeta. "Eu sempre escribo das mesmas cousas, e obsesióname a idea da necesidade do ser humano de marchar", explica Asorey a Nós Diario, "e neste contexto de persecución dos migrantes, de xenofobia e coa irrupción moi forte da ultradereita, pensei que había que escribir contra ese bulldózer do odio e do medo". O discurso comeza co verso "ambos errantes no mundo andamos" -escollido como palabra de orde para a programación da AELG na efeméride- e afirma: "Logo, a muller aquela, desafiando leis masculinas, sentenciou: Toda a terra é dos homes e das mulleres. Toda a terra". "Aproveito que Rosalía de Castro é marabillosa e serve para case todo", sinala Asorey, "e así falar contra o medo que espalla a ultradereita e de que cada un debe escoller a súa identidade". Esta última cuestión está directamente relacionada co seu primeiro libro de poemas, Transmatria (Xerais, 2019, premio Johán Carballeira o ano anterior). "Palabra poderosa" "Foi evidente entón que ela xa non precisaba apelidos. Sería sempre Rosalía, e había sinalar futuros e denunciar dores e inxustizas. Errantes no mundo", continúa o Manifesto, "a súa palabra inzou poderosa, precisa, contundente. Outra vez os vaivéns da fertuna / para lonxe me arrastran, afirmou, así que axiña entendemos que os camiños nos igualan e os tránsitos nos fan humanos". A errancia e o nomadismo contra o dereito de sangue que adoitou defender historicamente a reacción, vén dicir o escritor, que pretende conxurar a ameaza neofascista. "Cada un e cada unha debe buscar o seu camiño, e todas somos errantes", entende Asorey, que no texto di: "Camiñamos. Marchamos. Fuximos. E no medio do desamparo, da dor da partida, do mundo deixado e do degoirado, Rosalía amosou o desconsolo de migrar e o afliximento de ficar. Tamén nos aprendeu a ollar, a saber, a ser. Dende entón a nosa voz foi para semore palabra de muller. No éxodo infinito. A nosa voz errante no mundo". A AELG encarga cada ano a escritura do texto polo Día de Rosalía a un autor ou autora. "Para min foi unha honra moi grande que pensasen en min, cando hai xente moito máis valiosa que podería facelo mellor", asegura. Contra o seu tramo final, o manifesto exprésase así: "É difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir sen auga. É difícil entendérmonos sen nos saber errantes. Fagamos vivos os seus versos en cada persoa que foxe, en cada ser humano que chimpa un muro, que se bota ao mar, que decide o seu futuro e a súa identidade libremente [...] Errantes no mundo e sempre libres!". |
NOS_53448 | O candidato de GeC asume "en primeira persoa" a debacle da formación e anuncia o inicio dunha "reflexión profunda". | Con 98% escrutado Galicia en Común non logra representación no Parlamento galego e fica por baixo de 4% dos votos. Uns resultados moi afastados dos que este espazo político atinxiu en 2016, cando foi segunda forza con 14 escanos. O candidato de GeC, Gómez-Reino, compareceu na noite electoral para cualificar de "fracaso" e "moi malos" uns resultados que recoñeceu que foron "inesperados". Gómez-Reino, deputado no Congreso, dixo que asumía "en primeira persoa" os resultados e que o espazo político de Galicia en Común iniciaba unha "profunda reflexión" durante os vindeiros días. |
PRAZA_8284 | Cóntao José Castello na súa espléndida biografía do poeta. Cada vez que Vinicius de Moraes percibía a sombra intensa dun vivir mecánico, a pesadume da rutina, tomaba as súas pertenzas máis aprezadas e abandonaba o lugar. Se acreditamos no escrito sobre o tema, a súa reducida bagaxe comprendía apenas unha escoba de dentes e mais o retrato que lle fixera Cândido Portinari. | "— Ah! Seigneur! donnez-moi la force et le courage De contempler mon coeur et mon corps sans dégoût!" (Charles Baudelaire Un Voyage à Cythère") Cóntao José Castello na súa espléndida biografía do poeta. Cada vez que Vinicius de Moraes percibía a sombra intensa dun vivir mecánico, a pesadume da rutina, tomaba as súas pertenzas máis aprezadas e abandonaba o lugar. Se acreditamos no escrito sobre o tema, a súa reducida bagaxe comprendía apenas unha escoba de dentes e mais o retrato que lle fixera Cândido Portinari. A extensa traxectoria amorosa do personaxe fai pensar nun recurso frecuente a este mutis. De Moraes era cativo da paixón (Carlos Drummond de Andrade manifestara envexar o Poeta "…porque ele vive em estado permanente de poesía" ). O aborrecemento supuña para el un lento esmorecer que acababa por abafalo, por esmagar a sobrenatural vocación de espremer a vida que reflicte a súa obra. Cando Portinari retrata a Vinicius no ano 1938, éste aínda non partira para Oxford, onde había pasar unha tempada a estudar lingua e literatura inglesa como bolseiro do British Council. É, xa que logo, o retrato do Poeta baixo o esplendor físico da xuventude vitoriosa, da sensual arrogancia. Quizá por iso a intuición da decadencia erótica facíao sempre volver a aquela imaxe apoteósica – e pretérita - de si propio. Non resulta estraña esa tendencia a relembrármonos eternamente novos na inminencia da devastación ou nas situacións de inevitábel fuxida nas que adoito se viu o brasileiro. O propio Dante expresara a humanidade dese hábito: nessun maggior dolore che recordarsi del tempo felice nella miseria. Unha frase que, por certo, séculos despois abriría a obra cume doutro experto en fugas: O byroniano Childe Harold. A mocidade como espazo idealizado de plenitude e pretensa felicidade é unha constante na nosa especie. Quizá esa obsesión polas fotografías de mocidade ou nenez empregadas no perfil de moitos usuarios de redes sociais traduzan o pavor á decrepitude que nos persegue nestes tempos de primacía da estética. Oscar Wilde, outro entusiasta dos valores da mocidade que, no entanto, sempre amosou unha absoluta incapacidade para fuxir a tempo, tamén dedicou obra a esta cuestión. Porén, a diferenza do Dorian Grey do irlandés, neste caso era Vinicius o que asistía á súa decadencia física encanto o retrato de Portinari permanecía na súa eterna apoteose. E destarte, cando a mocidade abandonou aquel individuo miúdo e a un tempo ciclópeo, o seu ollar agudo e apaixonado debeu virar moitas veces cara aquel mozo que unha vez fora. Sen carraxe nin saudades. Ao cabo, o excepcional poeta xa atopara un sentido último á natureza efémera do amor absoluto: "…que não seja imortal posto que é chama mas que seja infinito enquanto dure." |
PRAZA_5364 | No IES Fontexería, de Muros, celébrase antes das vacacións do segundo trimestre escolar unha semana cultural coa que achegar ao alumnado esoutra cultura máis difícil de encadrar nos ríxidos curriculos escolares | Resulta cando menos paradoxal celebrar unha semana cultural nun centro educativo. Logo o resto das semanas do curso, non están destinadas íntegramente a trasmisión de coñecementos culturais? De aceptarmos a definición de cultura xurdida no século XX da man da antropoloxía , que abrangue todos os fenómenos humanos que non son resultado da xenética, resulta evidente as limitacións da escola para achegarse a todas as expresións culturais posibles. Pero por tentalo que non sexa. No IES Fontexería, de Muros, celébrase antes das vacacións do segundo trimestre escolar unha semana cultural coa que achegar ao alumnado esoutra cultura máis difícil de encadrar nos ríxidos curriculos escolares, pero que debería formar parte do patrimonio cultural de calquera persoa adulta. Lévase facendo 25 anos ininterrompidamente. E en educación no noso país, podemos afirmar sen moito temor a nos equivocar, poucas cousas, alén do profesorado, poden gabarse de sobreviviren este tempo. "Hai cambios notables desde as primeiras edicións ata a actualidade, debidos fundamentalmente ás mudanzas do mundo nestes 25 anos e á enorme escaseza ou ausencia de actividades deportivas e culturais organizadas daquela polas administracións municipais de Muros e Carnota- explica Manolo Sendón, un dos primeiros responsables de organizar a semana cultural. Nas primeiras edicións agrupábanse nunha semana unha chea de actividades moi diversas, pero tamén era a culminación ou exhibición das que se desenvolvían con carácter permanente ao longo do curso: o grupo de teatro estreaba a obra que viñera ensaiando desde o inicio do curso, confluían no remate as ligas deportivas etc. Destas xornadas culturais xurdiron iniciativas que deixaron a súa impronta non só no alumnado do centro, senon tamén en toda a comarca. " O instituto foi pioneiro na posta en valor do patrimonio marítimo, a esencia patrimonial da nosa bisbarra. Había daquela actividades que se desenvolvían desde setembro: teatro, radio escolar, laboratorio de fotografía, xadrez, deportes diversos… . Actualmente moitas desapareceron e, en xeral, minguaron. As razóns fundamentais son as xa indicadas: apenas había onde practicar moitos deportes fóra do instituto (comezábanse a construír os pavillóns polideportivos, os concellos apenas tiñan programación deportiva) e o mesmo sucedía coas máis das actividades culturais. O desenvolvemento da telemática e o medre das redes sociais, a aparición da fotografía dixital… fixeron que moitas desaparecesen ou mudasen. Tamén hai que ter en conta outros dous factores que están na base dos cambios: nos inicios da semana cultural no IES Fontexería: había o triplo de alumnado e tamén había unha maior implicación das familias ao seren conscientes da imposibilidade de desenvolveren os fillos e fillas esas actividades fóra do instituto." Destas xornadas culturais xurdiron iniciativas que deixaron a súa impronta non só no alumnado do centro, senon tamén en toda a comarca. " O instituto foi pioneiro na posta en valor do patrimonio marítimo, a esencia patrimonial da nosa bisbarra. Nel déronse os primeiros pasos e madureceron iniciativas que logo trascenderon á veciñanza: as máis das actividades que se desenvolveron e seguen a desenvolverse a nivel veciñal neste ámbito tiveron o seu berce no instituto. Xornadas como Muros Mira ao Mar ou a organización do IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia no ano 2009 non terían acontecido sen a vontade e o compromiso do profesorado e o alumnado de Fontexería",-reivindica o profesor Sendón, recentemente xubilado. Seguir lendo n'O patio das ideas |
NOS_52978 | Os orzamentos do Estado para Galiza son os máis baixos desde 2004 (se axustamos as contas á inflación, serían os máis baixos desde 1996). A resposta de Feijóo é criar unha comisión de seguimento. Ana Pontón pídelle que cambie de táctica, tome nota da posición do PP de Valéncia e se plante ante Rajoy. | Todas as forzas políticas valencianas, incluído o PP, na oposición, asinaron un documento en que cualifican de discriminatorio para a súa comunidade autónoma o proxecto de orzamentos do Estado. Feijóo, en troca, saíu a defendelos, parapetándose, iso si, tras o proposta da criación dunha comisión de seguimento das contas. "Seguimento de que? Do recortazo de 442 millóns de euros?", perguntouse con ironía esta sexta feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que participou, nas rúas de Compostela, nun reparto de material informativo sobre as bondades do modelo do concerto económico para Galiza. A comisión sería, a xuízo das e dos soberanistas, unha manobra de distracción. O que debería facer Feijóo, entende Ana Pontón, é ser valente e plantarlle cara a Rajoy "en defensa dos intereses deste país, como fai a súa homóloga en Valéncia, por exemplo, que xa dixo non a estes orzamentos". A líder nacionalista lembra que Feijóo é o líder do partido con máis parlamentares galegos no Congreso e repróchalle que non faga nen o menor aceno político para pór esa representación ao servizo dos intereses da Galiza. "Unha soa deputada de Coalición Canaria chega para que haxa un incremento dos investimentos nese territorio, por iso retamos a Feijóo a que poña Galiza por diante na defensa dos nosos intereses e que lle diga aos representantes galegos, incluída a Ana Pastor, que digan que non aceptan un recortazo que cercena proxectos importantes como a modernización do ferrocarril, o saneamento das rías e a creación de emprego", afirmou a portavoz nacional do Bloque. |
NOS_9845 | O sábado 22 de xullo volve celebrarse a visita ao Pico Sacro para ler o 'Alba de Groria' e lembrar a excursión que Castelao fixo a este monte mítico en xullo de 1924. | O Pico Sacro non é un monte calquera. Ducias de lendas así nolo recordan. E a visita de Castelao en 1924 convertiuno tamén nun emblema do galeguismo. E desde 2011 vense lembrando este feito cun acto que a A.C. Vagalumes e O Galo organizan anualmente. Desta volta a visita terá lugar este sábado 22 de xullo, que comezará ás 12 horas cun recitado dun poema de Marcial Valladares dedicado á fonte do Pico Sacro e coa benvida na chaira da capela deste monte a cargo da escritora Marica Campo. A continuación terá lugar a subida do último treito do cumio do Pico Sacro, con parada no Paso da Raíña Lupa onde tocará unhas pezas o gaiteiro Alberte Vigo da asociación cultural Manuel Gacio de Lestedo. Posteriormente baixarase ao adro da capela do monte, con paradas nas dúas covas do Pico para escoitar as explicacións a cargo de Ilonda Aldrei. E, para rematar, actuarán o grupo de pandereteiras Raiola da asociación Manuel Gacio de Lestedo e o grupo A Requinta de Xián. Logo a organización ten planeado un xantar optativo e, pola tarde, un roteiro guiado con partes a pé e en coche pola zona. |
NOS_17323 | Hai corenta anos, o 20 de maio de 1979, milleiros de persoas convocadas pola Asemblea Nacional-Popular Galega marcharon sobre Xove para amosar o seu rexeitamento ao proxecto da central nuclear. A mobilización, apoiada polo conxunto do movemento nacional popular galego, representou un golpe decisivo ao proxecto de Fenosa. | No mes de novembro de 1973, un consorcio conformado por Fenosa, Electra del Viesgo e Hidroeléctrica do Cantábrico fai pública a súa decisión de instalar na Regodela (Xove) unha centra nuclear. O proxecto, asociado a un investimento de 68.000 millóns de pesetas da época, tentaba poñer en marcha catro reactores que ían producir 3.600 megavatios, nun momento que Galiza destinaba o 60% da súa produción enerxética á exportación. As razóns que desaconsellaban a posta en marcha da central nuclear eran de diversa índole, destacando as de carácter ambiental, vinculadas aos problemas deste tipo de enerxía, as de seguridade, o emprazamento da planta situase enriba dunha falla, e as económicas, na medida en que se apostaba por un modelo de desenvolvemento de enclave e propio das realidades coloniais. A oposición do nacionalismo ao proxecto non tardou en facerse patente. O propio mes de novembro de 1973, o Clube Cultural Valle Inclán, na altura orientado por cadros da UPG como Lois Diéguez ou Carlos Varela, organiza un mesa redonda en Lugo coa presenza de Xosé Manuel Beiras. O labor das asociacións culturais sería determinante no proceso de sensibilización e clarificación social sobre esta problemática ao longo e ancho do país, destacando dentro destas Sementeira de Viveiro, que desenvolverá unha actividade permanente contra este proxecto. Ao tempo, os militantes nacionalistas presentes na zona desenvolven un intensa campaña de axitación diante dos sectores directamente afectados, organizando, coas dificultades que impoñía a clandestinidade, centos de xuntanzas e asembleas en distintas parroquias e lugares da contorna de Xove, a fin de clarificar á poboación e tamén levando adiante accións de sabotaxe, protestas e enfrontamentos, destacando o vivido en Vilachá, onde os mulleres da parroquia remataron por paralizar os traballos durante catro días no marco dun duro enfrontamento coa Garda Civil. O 10 de Abril de 1977, 8000 persoas convocadas polas Comisións Labregas recorreron os 13 quilómetros que separan a Viveiro de Xove para opoñerse á construción da central nuclear. Á altura de xaneiro o nacionalismo xa tentara convocar unha manifestación contra o proxecto de central nuclear, na dupla perspectiva de expresar a súa oposición á mesma e de socializar o conflito a nivel nacional, porén a mobilización foi prohibida. A fin de sortear os impedimentos gobernativos, acordase entón organizar unha marcha polo beira da estrada, marcha que non contou cos permisos legais pero que tampouco foi reprimida e que remaría despois de tres horas en Lago(Xove). Alí no adro da parroquia tomaron a palabra Manuel Barbeito, veciño das Encrobas que expresou a solidariedade desta localidade coa loita de Xove, Antonio Pernas, membro das Comisións Labregas de Xove, Emilio López Pérez, Milucho, dirixente das Comisións Labregas, e Ramón Valcarce Vega, o crego das Encrobas. Ao remate da marcha, unha delegación da dirección da UPG mantivo unha reunión cos afectados nos terreos onde estaba previsto instalar a central, dirixíndolle a palabra Ramón Múñiz, responsábel do sector agrario dese partido. As circunstancias políticas nas que se desenrolou esta segunda marcha sobre Xove eran totalmente diferentes ás de 1977. A mesma desenvolveuse coincidindo cun debate no conxunto do Estado, impulsado sen ningunha dúbida polas protestas de vascos e galegos, sobre a conveniencia da enerxía nuclear e que tiña levado semanas antes o tema ás propias cortes xerais. Mentres UCD e AP, as forzas da dereita, mostraban o seu apoio ás posibilidades das nucleares, PSOE e PC non cuestionaban as súas bondades pero esixían a súa moratoria á espera de que a súa instalación fose máis segura. Nese contexto, o 13 de maio de 1979, CCOO e UXT convocan unha mobilización na Mariña, que os propios organizadores valoraron como un fracaso dado o escaso apoio popular, esixindo unha moratoria de 20 anos para este proxecto. Será nese momento canda o nacionalismo acorde lanzar a súa segunda marcha sobre Xove opoñéndose á alternativa da moratoria e esixindo a definitiva cancelación da proposta de construción da central nuclear. O 20 de maio de 1979, 8000 persoas, convocadas, nesta ocasión, pola Asemblea Nacional-Popular Galega, camiñan durante dúas horas, baixa unha intensa choiva, desde Viveiro até Xove para expresar o seu rexeitamento a central nuclear. A diferenza da convocatoria de 1977 o groso dos manifestantes eran veciños da comarca, "camiñando", segundo recollía o Terra e Tempo, "pola banda esquerda da estrada en ringleiras de a dous a marcha estendíase ao longo de varios quilómetros". A manifestación remataría na praia do Esteiro, onde tomaron a palabra Lois Diéguez, portavoz da organización convocante, Bautista Álvarez, presidente da UPG que coa AN-PG conformaban o Bloque Nacional-Popular Galego, Francisco García Montes, secretario xeral da ING, Bernardo Requeixo, secretario das Comisións Labregas, Néstor Rego, representante de ERGA, Bieito Iglesias, secretario xeral da UMG, e un portavoz do Comité Antinuclear Vasco. A marcha de Xove rematou cun auténtico éxito. A participación na convocatoria superou de longo as expectativas que se tiñan marcado as organizacións do movemento nacional popular galego, entidades organizadoras da marcha e que desde 1973 viñan impulsando á oposición á central nuclear. Os temores expresados nos días previos á protesta en diversos medios de prensa polos dirixentes da AN-PG, dadas as condicións metereolóxicas previstas para a data convida así como a folga do transporte en Pontevedra que tiña centrado o labor dos militantes nacionalistas na zona, ficaron despexadas na propia xornada. A resposta popular evidenciou a existencia dun estado de opinión decidido a prol da anulación do proxecto, fronte á táctica da moratoria defendida pola españolismo de esquerda, mostrándose decisiva para a paralización definitiva do proxecto da central nuclear, acordada finalmente en 1982. |
PRAZA_19823 | José Manuel Sande foi apoiado por unhas 200 persoas -algunhas difrazadas de monxas, cardeais e papas- que se concentraron ante os Xulgados. VÍDEO | Concentración de apoio a Sande ás portas dos xulgados | Este ano A Coruña celebrou dúas veces o Entroido. Fíxoo o pasado mes de febreiro, cando tocaba, e fíxoo de novo este luns. A comparecencia nos xulgados do edil de Culturas, José Manuel Sande, para responder á denuncia presentada pola Asociación de Viúvas de Lugo por un suposto delito de ofensa aos sentimentos relixiosos converteuse nunha auténtica festa, con comparsas, disfraces (de cardeais, monxas, bispos, bispas e Papas) e cancións. Unha pechada defensa do Entroido, da liberdade de expresión e do dereito á irreverencia, en liña coa moción aprobada a pasada semana polo pleno municipal cos votos a favor de todos os grupos agás do PP. O pasado 24 de marzo coñecíase a imputación de Sande polos carteis do Entroido nos que o ilustrador Alberto Guitián debuxou un clásico choqueiro coruñés disfrazado de Papa (mesmo cun Papamóbil de cartón). A imaxe foi criticada por colectivos católicos (mesmo polo Arcebispado de Compostela) e motivou dúas denuncias xudiciais. Unha foi desestimada polo Xulgado de Instrución número 8 da Coruña, sinalando o maxistrado que os feitos non constituirían en ningún caso un delito, mesmo aínda que a imaxe puidese ser considerada "irreverente" por algunhas persoas. Mais o Xulgado de Instrución número 3 da cidade si chamou a declarar o edil de Culturas en calidade de investigado (antiga imputación). Sande foi recibido ás portas dos Xulgados por unhas 200 persoas, moitas delas disfrazadas, e con berros de "Entroido si, tristes non" e "Liberdade de expresión". Entre os e as asistentes á concentración estaban boa parte dos concelleiros do Goberno municipal coruñés, e un gran número de deputados e deputadas de En Marea, tanto no Congreso coma no Parlamento galego. O alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, acompañou a José Manuel Sande ao interior dos Xulgados. Antes de entrar, o edil de Culturas destacou que no cartel "non houbo ningún ánimo de ofensa" e explicou que a ilustración insírese "dentro da irreverencia que ten, tradicionalmente, a festa do Entroido". "Esta citación non cambia a nosa actitude. Este Goberno vai seguir facendo contratacións artísticas, a nosa cidade vai seguir sendo un lugar referente de excelencia no mundo gráfico e os carteis seguirán sendo de autor", engadiu. O concelleiro, que se amosou "satisfeito" á saída da súa comparecencia ante o xuíz, concluíu que "este Goberno local non ten ningún tipo de espírito anticlerical ou de ofensa, o único que defende é a necesaria separación das institucións públicas e os estamentos da igrexa". Porén, Sande foi máis aló e fixo fincapé na necesidade de defender "a liberdade de expresión" e a "liberdade artística". Neste senso, cualificou este proceso xudicial de "anecdótico" pero afirmou que "podemos aproveitar o seu simbolismo para defender as liberdades e para defender que non se ameace algo tan fermoso e tan sinxelo como é o Entroido". "Vendo a ameaza e os elementos inquietantes que, a escala estatal, está habendo sobre certas liberdades, cuestións que críamos superadas por extemporáneas, faise necesario involucrármonos e comprometernos. É necesario mobilizarse polas liberdades, e o compromiso e implicación de todas as persoas témolo aquí", subliñou. "Estamos vivindo un clima que permite a intromisión a determinadas liberdades que son sagradas; se se necesitan batallas culturais imos libralas coa forza da razón". engadiu. A declaración do concelleiro ante o xuíz tivo unha duración duns 20 minutos. A espera dos e das concentradas foi amenizada con cancións, dende o tradicional Miudiño ata unha copla choqueira composta especialmente para a ocasión e que relataba o conflito vivido ao redor do denunciado cartel. Terrazas cheas, sol primaveral e un ambiente de festa que contribuía á sensación de estarmos, de novo, en pleno Entroido. Un Entroido que a pasada semana foi declarado polo Ministerio de Cultura como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial, destacando o decreto do Goberno central que la festa "maniféstase tanto nos valores relacionados coa diversión, a catarse, o ocio e mesmo a relixión, como na súa capacidade de expresión identitaria para moitos colectivos". |
PRAZA_3359 | A sede coruñesa de IKEA, que colabora no proxecto, acolleu a presentación dos 30 deseños realizados polos alumnos e alumnas do centro, que fai fincapé no carácter "recoñecible e funcional" dos mandilóns, que "forman parte do día a día dos fogares galegos" | A bata cruzada ou mandilón é unha prenda de roupa moi habitual entre as mulleres galegas, unha prenda de traballo que en ocasións se converte en todo un elemento identitario. Hai uns anos o documental "Bata por fóra, muller por dentro", obra de Claudia Brenlla, afondou na importancia dos mandilóns cruzados, subliñando a súa significación nos traballos non remunerados realizados polas mulleres galegas, tanto dentro da casa coma fóra. Naquel filme, a autora contactara cunha fábrica de batas de Pontevedra, entrevistara a mulleres que a usaban a diario e mesmo a Petra Buchegger, unha artista plástica austríaca que emprega as telas das batas como materia prima para as súas obras. "Bata por fóra, muller por dentro quere ser unha oda, un tributo á beleza, á valentía, á simpatía e á capacidade de traballo das nosas nais e avoas", dicía Claudia Brenlla no momento da súa estrea.A EASD levou a cabo "unha reinterpretación do mandil cruzado, unha prenda icónica, recoñecible e funcional que forma parte do día a día dos fogares galegos"Recentemente a Escola de Arte e Superior de Deseño (EASD) Mestre Mateo de Santiago de Compostela decidiu levar a cabo "unha reinterpretación do mandil cruzado, unha prenda icónica, recoñecible e funcional que forma parte do día a día dos fogares galegos". Os alumnos e alumnas do grao de Deseño Moda traballaron con tecidos proporcionados por IKEA, que colabora no proxecto, que foi coordinado polas profesoras Sandra García, María Broz e Noemí Patricia Vázquez. De aí saíron 30 deseños de batas, que foron presentadas o pasado sábado na sede coruñesa da tenda sueca, onde permanecerán expostas os vindeiros días. As batas acompáñanse dunha mostra de fotografías, tamén realizadas por alumnado da escola, que amosan igualmente as prendas de roupa, vestidas por un grupo de modelos en distintas localizacións. A EASD Mestre Mateo e IKEA veñen colaborando dende o ano 2016.Velaquí podes ver o documental "Bata por fóra, muller por dentro" |
NOS_26523 | A taxa de positividade das PCR realizadas aumenta ao 7,8% | Galiza rexistrou un novo incremento dos casos activos de coronavirus, até os 5.680, tras detectar máis de 400 novos positivos por PCR nun día no que, ademais, incrementouse o número de pacientes ingresados nos hospitais. En concreto, segundo os datos publicados pola Consellería de Sanidade, con cifras até as 18:00 horas da cuarta feira, Galiza detectou a través de probas PCR 438 positivos en Covid-19, tres menos que a xornada anterior. Con todo, os casos activos situáronse nos 5.680, o que supón 55 máis que no último balance e unha tendencia que foi crecendo nos últimos días. Ademais, segundo reflicte esta información, tamén creceu a cifra de persoas hospitalizadas, que acada as 351, 14 máis que o día anterior. Os ingresados en UCI, con todo, mantéñense en 55. En concreto, a área sanitaria con máis pacientes Covid ingresados é A Coruña, que se mantén con 89 enfermos hospitalizados e 18 en UCI, un menos que o día anterior A taxa de positividade elevouse desde o 6,5 ata o 7,8% das probas. A Coruña e Cee volve ser, unha xornada máis, a área sanitaria con maior número de novos positivos, con 115 (-3), seguida da de Santiago-Barbanza, que identificou 89 casos de Covid por PCR, 14 menos que a xornada anterior. A área de Vigo, pola súa banda, reporta 78 positivos (+5); a de Ourense-Verín-O Barco 60; e a de Lugo-A Mariña-Monforte 45 (-5). Por baixo dos 30 novos positivos están Pontevedra, con 25 (-23) e Ferrol, con 26 (+13). Doutra banda, as vítimas mortais que deixou a pandemia desde o seu inicio na Galiza ascenden a 1.397, sete delas comunicadas na última xornada. |
NOS_35051 | A candidata do BNG reclama "facer da igualdade a clave de bóveda das políticas da Xunta" e comprométese a derrogar "todas as normas reaccionarias que se aprobaron polo goberno de Núñez Feijóo", durante un acto con mulleres en Vigo. | A candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza, Ana Pontón, defendeu este sábado retirar os contratos públicos con aquelas empresas nas que exista discriminación "directa ou indirecta" contra as mulleres e eliminar os concertos educativos cos centros que segregan por sexo. "É preciso que as institucións utilicen os mecanismos e recursos que existen para non ser cómplices coa desigualdade que no día a día viven as mulleres no noso país", asegurou durante un acto con mulleres en Vigo. Pontón reafirmou o compromiso da fronte para materializar estas medidas coa "derrogación de todas as normas reaccionarias que se aprobaron polo goberno de Núñez Feijóo" así como "facer da igualdade a clave de bóveda das políticas da Xunta destinando recursos públicos". Defendeu crear xulgados de violencia de xénero para que "ningunha muller se sinta soa ou desamparada cando vai a denunciar". Nese sentido, a candidata nacionalista chamou a traballar "para que vivamos nun país con violencia de xénero cero". Pediu que as competencias en Xustiza sexan transferidas a Galiza, entre outros motivos, para "crear xulgados de violencia de xénero, para que a vítima non teña que estar agardando co agresor, para que haxa sensibilización do corpo xudicial e para que ningunha muller se sinta soa ou desamparada cando vai a denunciar". Outra das medidas anunciadas pola cabeza de lista do Bloque foi a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade. No caso destes últimos, pediu que sexan obrigatorios "para que realmente se asuma que o coidado é cousa de todos e todas". Defendeu ademais que as nais que traballan como autónomas teñan "custo cero para os seus petos" nas taxas da Seguridade Social durante a maternidade, apostando por rechar coa fenda salarial das mulleres traballadoras en prol de "de salarios racionais que permitan a conciliación da vida laboral e familiar". Combater a "ofensiva neomachista" Pontón recordou que "a desigualdade está tamén neses señores feudais que se seguen crendo con dereito de pernada e que seguen ao fronte de institucións como o señor Baltar", situación que definiu como "unha vergoña para un país democrático e con igualdade". Pediu combater a "ofensiva neomachista" porque "o feminismo non é contrario do machismo, é a solución, a alternativa para que exista igualdade real". O que nunca nos van roubar é o dereito a soñar, nin o dereito a pensar nin a ser mulleres libres nunha Galiza liberada. A tamén portavoz nacional do BNG lanzou estas propostas durante un acto celebrado en Vigo, baixo o título 'Feminismo para un tempo novo', onde participaron decenas de mulleres de todos os ámbitos para amosar o seu apoio á candidatura nacionalista. "Estamos aquí para recoller o traballo de tanta mulleres, mulleres que desobedeceron, porque non chegamos de novo. Todo ese feminismo que ten que empapar, que empapou e que aínda necesita este país". "Sempre entendín ser nacionalista como unha maneira natural de ser do meu país. Cando unha defende o que cre, sempre o ten que facer cun sorriso. Porque o que non nos van roubar nunca é o dereito a soñar, nin o dereito a pensar nin a ser mulleres libres nunha Galiza liberada", sentenciou. |
NOS_23434 | Pasadas as 12.30h deste sábado, Pedro Sánchez, ex secretario xeral do PSOE, comparecía perante a prensa para anunciar a súa renuncia como deputado para evitar votar na segunda sesión que investirá Mariano Rajoy como presidente do Goberno. | Pedro Sánchez renuncia á súa acta como parlamentar. Así o anunciou na mañá do sábado, horas antes de que comece a segunda sesión de investidura no Congreso. O ex líder do PSOE enfrontábase a unha situación complicada: absterse e renunciar así ao principio do "non é non" ao PP ou manterse nese "non" e desobedecer, en consecuencia, o máximo órgano de decisión do PSOE. O ex secretario xeral da formación socialdemócrata e quen fora candidato á Presidencia do Goberno español opta, así, por evitar posicionarse após o Comité Federal do PSOE decidira o pasado domingo a abstención para permitirlle a Rajoy recuncar como presidente do Goberno. O que fora candidato do PSOE sinalou que adoptou a decisión porque está "en profundo desacordo con facilitarlle o Goberno a Rajoy" e porque non quere "rachar a confianza" que depositaron nel millóns de votantes e militantes. "A partir da segunda feira, collo o meu coche para percorrer de novo todos os recunchos do Estado español" Volver comezar Na comparecencia perante a prensa, Pedro Sánchez asegurou que quere "volver comezar" na política "como un militante máis". "A partir da segunda feira, collo o meu coche para percorrer de novo todos os recunchos do Estado español e escoitar a quen non foron escoitados", salientou. Nesta liña, advertiu de que a xestora que dirixe o PSOE debe poñer "data, hora e lugar" para o congreso extraordinario ao que se quere presentar. A súa intención, afirmou, pasa por devolverlle á militancia "un PSOE autónomo e afastado do PP". A segunda sesión, nunhas horas Tal e como se prevía, o Congreso desbotou a quinta feira a investidura de Mariano Rajoy na primeira volta. O presidente do Goberno en funcións necesitaba a maioría absoluta (176 votos) e só obtivo o apoio dos 170 representantes do PP, C's e CC, mentres que os 180 parlamentares restantes votaron en contra. Fica por ver que deputados e deputadas da formación socialdemócrata romperán a disciplina de voto e votarán en contra O pleno en que Rajoy será investido presidente por maioría simple e coa colaboración do PSOE encetará ás 18.30h. Fica por ver que deputados e deputadas da formación socialdemócrata romperán a disciplina de voto e votarán en contra. Rajoy disporá de 10 minutos para defender a súa investidura e os grupos exporán a súa posición durante 5 minutos cada un. Prevese que o líder do PP tome posesión do cargo o domingo ou, como tarde, a segunda feira. A proclamación de Rajoy como presidente porá punto e final a case un ano de goberno en funcións e comezará un novo período en que terá que depender dos acordos con Ciudadanos e co PSOE para gobernar. |
NOS_34462 | Aloumiñou o empate e nunca perdeu a cara do partido, marcado pola expulsión de Tucu Hernández. | Se o Sánchez Pijuán era un ensaio xeral antes da cita co Manchester, o Celta saíu del cunha derrota (2-1) mais cunha imaxe de fortaleza: desputou un encontro serio, nunca baixou os brazos e no último tramo do partido encerrou o Sevilla na súa área, asediándoo na procura do empate. Non chegou, mais ficou a sensación de que se a cousa durase uns minutos máis os celestes consumarían a remontado. Foi un partido no que as dúas equipas procuraron a portaría contraria desde o inicio. Un encontro desputado, con espadas en alto e no que a expulsión de Tucu Hernández por duplo cartón vermello rachou na segunda metade o equilibrio de forzas. Iago Aspas marcou para os celestes, de penalti, remontando o gol sevillista. Mais os andaluces, na recta final, adiantáronse no marcador. Chegou entón o mellor Celta, incisivo, asediando a área sevillista, que se paratetou para frear a bategada celtista. Non chegou o empate mais o Celta caeu de pé. Ficha técnica: Sevilla (2): Sergio Rico, Mariano, Lenglet, Pareja, Escudero, Nzonzi, Iborra, Ganso (Kranevitter, min.87), Sarabia (Nasri, min.63), Correa e Jovetic (Ben Yedder, min.75). Celta (1): Sergio Álvarez, Hugo Mallo, Cabral, Fontás, Jonny, Radoja, Wass (Bongonda, min.81), Pablo Hernández, Sisto (Beauvue, min.85), Guidetti (Roncaglia, min.66) e Aspas. Goles: 0-1, min.47: Correa; 1-1, min.53: Iago Aspas, de penalti; 2-1, min.79: Ben Yedder Árbitro: Gil Manzano, comité estremeño. Expulsou con duplo cartón vermello Pablo Hernández (min. 56) e amoestou a Hugo Mallo, Cabral, Sarabia Campo: Sánchez Pizjuán |
NOS_11951 | Ducias de manifestacións percorreron vilas e cidades galegas dentro da campaña 100 medidas para o crecemento económico e a creación de emprego na que a CIG achega "propostas e alternativas" orientadas a unha saída social da crise. Este sábado (12 h, Alameda), a campaña chegará a Compostela nunha manifestación nacional. | "Temos que dar o debate", salientou en conversa con Sermos Galiza o secretario xeral da CIG, Suso Seixo. O líder da central sindical asegurou que "hai vías posíbeis para crear emprego" e que "poden ser aplicadas". Neste senso, a campaña emprendida pola CIG visa situar no centro do debate a problemática do desemprego --que atinxe a máis de 200.000 persoas en Galiza-- e achegar medidas "factíbeis", sinalan, encamiñadas a xerar postos de traballo que "traerían a mellora de dereitos sociais e da calidade de vida dos galegos", indicou o secretario xeral da central nacionalista. Este sábado, manifestación nacional Así, após presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular no Parlamento e iniciar unha rolda de asembleas c@s traballador@s en múltiples empresas do país, a Confederación Intersindical Galega prepárase para a marcha que este sábado se desenvolverá na capital galega (12 h, partirá da Alameda) e que encherá as rúas de Compostela ao berro dunha outra política económica. "Hai unha cousa que nós entendemos chave", explica Suso Seixo, "hai que abandonar o sendeiro de medidas de corte neoliberal que foron as que nos trouxeron até aquí". Así, acrecenta, "nós propoñemos un cambio no propio modelo económico" para saír da crise "desde unha perspectiva favorábel ás maiorías sociais". Por exemplo, subliñan, a creación dunha banca pública galega aproveitando o carácter estatal da nacionalizada Nova Galicia Banco permitiría pór a entidade financeira "ao servizo da nosa economía e sectores produtivos". Contar con ese banco, asegura Suso Seixo, permitiría fornecer de financiamento a sectores como o naval. A soberanía como necesidade Para @s sindicalistas a campaña polo emprego visa "dar o debate e ofrecer alternativas" no plano laboral, industrial e salarial mais tamén no eido agroalimentar, da pesca, fiscal e ambiental... convencid@s, din, de que "a chave para construír outro modelo, máis xusto e igualitario", defende Suso Seixo, pasa por ter "capacidade de decisión real" sobre o propio país. "A soberanía é unha necesidade", afirma con rotundidade o secretario xeral da CIG, "non é ideoloxismo". |
PRAZA_3652 | Falamos con dúas enfermeiras de Ourense e Pontevedra para preguntarlles sobre a situación que se está vivindo nos hospitais. Reclaman máis equipos de protección, máis información e reforzos de persoal, pero ben planificados, para reducir os riscos de transmisión. E alertan da importante carga psicolóxica que están a soportar. | O persoal sanitario e a sanidade pública están a recibir estes días o recoñecemento unánime da poboación e dos dirixentes políticos, a pesar de que non sempre os e as profesionais recibiron todos os recursos e a atención que esixían, sobre todo os colectivos máis precarios, como o persoal de enfermaría e, dentro deste, as enfermeiras eventuais. As enfermeiras eventuais levan meses de mobilizacións en demanda de mellores condicións laborais que garantisen unha atención sanitaria de calidade á cidadanía. As últimas xornadas están a amosar a importancia do seu traballo, convertidas na "primeira liña de defensa", como citou este mércores Felipe VI.Quixemos falar con dúas destas enfermeiras, que nestes días están realizando xornadas laborais aínda máis extensas, en condicións aínda máis difíciles, para saber como están enfrontando a situación, cales son as necesidades que están detectando nos centros hospitalarios galegos e cales son as súas recomendacións e demandas, tanto para a administración como para a poboación."O número de pacientes está sendo algo inferior ao que había antes da crise, pero a complexidade do traballo é moi superior, tanto pola utilización dos equipos de protección como pola carga psicolóxica"Catuxa, unha enfermeira de Pontevedra, explica que no hospital se está traballando coa previsión de que suba moito o número de ingresos por coronavirus nos vindeiros días, por iso se están liberando plantas e están preparadas camas baleiras para acoller a eses pacientes. "Nas plantas estamos á metade de traballo, con menos pacientes dos habituais, en espera de que nos vindeiros días haxa esa maior necesidade", di."O conto cambia nas Urxencias. Aínda que a comezos desta semana a actividade era inferior ao dunha semana normal, pouco a pouco co paso dos días o nivel de demanda está sendo maior. Hoxe por hoxe o número de pacientes está sendo algo inferior ao que había antes da crise, pero a complexidade do traballo é moi superior, tanto pola utilización dos equipos de protección como pola carga psicolóxica", explica. Equipos de protección limitados e falta de información"Non é tanto que non haxa equipos de protección, pero o seu número está moi limitado e pídesenos que os reutilicemos o máximo posible"Ademais, alerta do limitado número de equipos de protección individual (EPIs). "Nas Urxencias de Pontevedra, como non hai suficiente material de protección, para reducir o número de EPIs utilizados o que facemos é que nos vestimos dous médicos/as e dous enfermeiros/as e todos os pacientes respiratorios son vistos por eses equipos. O resto de patoloxías entran por outra vía, que lle chamamos circuíto limpo", relata. "O problema é que hai xente que entra por este circuíto limpo, por non ter problemas respiratorios, pero que polo que conta si que podemos pensar que ten coronavirus; fáiselles a proba e algún xa deu positivo. Esa xente é a perigosa, porque as medidas de protección que tomamos son as mínimas: luvas e unha máscara cirúrxica, que non protexe dun contaxio", di."Non é tanto que non haxa equipos de protección, pero o seu número está moi limitado e pídesenos que os reutilicemos o máximo posible. Nós entendemos que é non nos queiran facilitar este material, porque o desabastecemento é xeral e non hai de onde sacalos", sinala.En Ourense non hai de momento problema cos equipos de protección, conta Nuria, outra enferemeira, que destaca sobre todo a necesidade de que o persoal conte coa informaciómn axeitada, e tamén con protocolos precisos e non cambiantes. "As traballadoras tentamos manter a calma. É unha situación difícil para todos, comezando polos gobernos e as direccións sanitarias, e estamos dispostas a traballar o número de horas que faga falla. Pero preocúpannos dúas cousas: a posibilidade de que nalgún momento falten os equipos de protección individual, algo que aínda non pasou, e a falta de información", di. "Información hai moita, hai de feito sobreinformación, pero cremos que falta algo máis de información directa cara ás traballadoras e traballadores", engade.Nuria subliña, así mesmo, que "temos que pensar en todos os pacientes. Agora estamos centrando todo no coronavirus, pero hai outras patoloxías e outro tipo de pacientes que tamén están ingresados e que tamén teñen medo de contaxiarse". "Cando na túa planta tes un posible caso, tes medo de que os pacientes se poñan nerviosos, de que a xente quede sen atender. Por iso é tan importante que nós manteñamos a calma, e por iso é tan importante que nós teñamos boa información", explica. "Preocúpanos que cada día saia un protocolo distinto, cremos que debería haber un protocolo establecido dende o comezo", engade."Cando na túa planta tes un posible caso, tes medo de que os pacientes se poñan nerviosos. Por iso é tan importante que nós manteñamos a calma e que nós teñamos boa información"Nuria fai fincapé na necesidade de que haxa reforzos de persoal. "Nós tentamos traballar aínda máis e mellor do que xa traballamos habitualmente, pero temos a carga física e a carga psíquica. Nós estamos acostumadas, porque é o noso traballo, a traballar con VIH, a traballar con tuberculose... Pero como isto é novo, nós tamén temos medo a facelo mal. E se nós o facemos mal, a consecuencias son gravísimas", di."A min pasoume onte mesmo que pedín un reforzo de auxiliar ou celador para que me axudase a facer cambios posturais dunha paciente. Pero non había persoal dispoñible e ao final tivo que axudarme o fillo da muller. É só un exemplo, en xeral os pacientes están ben atendidos, pero necesitamos reforzos, porque de feito xa os necesitabamos antes de que todo isto sucedese", conta.Reforzos si, pero ben planificados"Hai persoal que está saltando dos centros de saúde ás plantas onde están os positivos de coronavirus, e que despois van volver aos centros de saúde, onde están moitas persoas que máis risco teñen"Tanto Nuria como Catuxa coinciden en que estes reforzos deben ser planificados da mellor maneira posible. O colectivo de Enfermeiras en Loita publicou nas últimas horas unha nota de prensa ao respecto, esixindo que non se faga "contratación irresponsable durante a crise". "Hai persoal que está saltando dos centros de saúde ás plantas onde están os positivos de coronavirus, e que despois van volver aos centros de saúde, onde están moitas persoas que máis risco teñen, persoas maiores, paciente crónicos, que teñen que ir ao centro para os seus tratamentos ou facer curas. Estase poñendo en risco a estas persoas, non hai lóxica" denuncia Catuxa.O mesmo pide Nuria, que reclama "agrupar os contratos" e que "se organizasen mellor as quendas de traballo para evitar riscos de transmisión". Ademais disto, Catuxa incide en que nos últimos días "o servizo de Urxencias si que se reforzou, pero con persoal que non vén formado e que non dá tempo a formalo". "Estase contratando seguindo a orde de lista, pero habería que primar que fose para Urxencias aquel persoal que xa ten experiencia en Urxencias, e que o que non a ten vaia para outros servizos. Porque xestionar unha crise desta magnitude é complicado e moito máis se as contratacións se fan de maneira imprudente", subliña. "Agora xa non estamos pedindo que contraten máis persoas ou por máis tempo, deixamos esa loita aprazada, pero por favor, que organicen as contratacións con lóxica e precaución", conclúe Catuxa.Os aplausos e o recoñecemento, todo o ano"Hai que valorar o traballo do persoal sanitario todo o ano, non soamente cando pasan estas catástrofes"As enfermeiras están recibindo con gratitude o aplauso cidadán que nestes días se está dirixindo aos profesionais sanitario. Porén, destacan que "hai que valorar o traballo do persoal sanitario todo o ano, non soamente cando pasan estas catástrofes", como di Nuria.Nuria estende e traslada a outros colectivos o recoñecemento que o persoal sanitario está recibindo. "Nós estamos super agradecidas polos aplausos e polo apoio da poboación e queremos trasladar estes aplausos a toda a xente que ten que seguir realizando o seu traballo: as caixeiras, as coidadoras, persoal de limpeza, os repartidores..., o aplauso é tamén para todos eses colectivos. E tamén para a xente que queda no paro e ten que apertar o cinto", di. "Agradecemos que o aplauso se centre en nós, pero nós en realidade non facemos nada que non fagamos os 365 días do ano, estamos facendo o noso traballo", engade."Nós estamos super agradecidas polos aplausos e polo apoio da poboación e queremos trasladar estes aplausos a toda a xente que ten que seguir realizando o seu traballo"Catuxa confesa, pola súa banda, que "eu persoalmente estou vendo todo iso con bastante distancia. Emocióname sentirme valorada estes días, pero á vez tamén me decato do pouco valorados que estamos habitualmente". E destaca que "o mesmo pasa coas declaracións políticas e das direccións sanitarias". "Nós transmitimos unha serie de necesidades, porque son as cousas que vemos a diario, porque estamos en contacto cos pacientes, e non obtemos resposta, sentimos que non se nos escoita, vemos que se toman decisións sen atender ao que estamos comunicando que sucede. Ves como as cousas se poden facer mellor, como hai cousas que se poden mellorar, e non se fai nada", di.O que lle piden á xenteNuria e Catuxa repiten, sobre todo, unha mensaxe: "Pedimos, sobre todo, que a xente quede na casa, que sexa consciente de que aínda que non teña síntomas, pode contaxiar a enfermidade. E de que pense que se os hospitais se saturan, isto vai ser insostible"."Pedimos, sobre todo, que a xente quede na casa. Vemos como hai xente maior que segue saíndo á compra, e iso non está ben, porque se están poñendo en risco""Vemos como hai xente maior que segue saíndo á compra, e iso non está ben, porque se están poñendo en risco. Os supermercados están todos os días abertos, pero iso non quere dicir que haxa que ir todos os días, porque supoñen un risco de contaxio alto, e non o estamos tendo en conta", alerta Catuxa. "Pedimos que a xente lave moito as mans, porque iso é fundamental. E que non se confíen por levar máscara ou luvas, porque iso non protexe se despois a xente toca a cara ou non lava as mans", engade."Pedimos tamén que a xente manteña a empatía e teña paciencia. No noso caso, por exemplo, que se soa o timbre e tardamos un minuto, pois que a xente agarde, porque estamos traballando moito e temos que manter a calma entre todos", sinala Nuria. |
NOS_12532 | Hai momentos en que unha organización política ten de optar. Momentos en que xa non hai máis marxe para se mover na indefinición. Momentos en que non podes contentar a todo o mundo. | Ese momento chegou para Podemos, a formación emerxente á que os inquéritos sinalan xa como alternativa de poder no Estado español. O último estudo demoscópico publicado, o do diario El Periódico de Catalunya, coloca Podemos como segunda forza e primeira entre as que o eleitorado sitúa na esquerda. O inquérito outorgaríalle entre 78 e 82 escanos, co 20,1% dos sufraxios, xusto un punto por enriba do PSOE, que tería entre 75 e 78. A primeira forza continuaría a ser o PP, mais moi deteriorada, co 23,5% e entre 102 e 107 actas, arredor de 80 menos das que detenta hoxe no Congreso. Pois ben, e perante este panorama, Podemos xa optou. Nas últimas semanas, os dirixentes dun partido que se apresenta a si mesmo como un intelectual orgánico -no sentido gramsciano do termo- se situaron sen ningún tipo de equívocos no terreno da socialdemocracia e no campo do que poderíamos cualificar como neo-patriotismo español. A continuación deste texto, unha reportaxe sobre a estratexia política de Podemos para as municipais 2015, está ao teu dispor no número 142 do semanario Sermos Galiza, o único en lingua galega nos quiosques e disponíbel nos pontos habituais de venda e aquí na nosa loxa. |
PRAZA_6408 | 'North West Football Magazine' é un proxecto xornalístico que nace coa idea de descubrir "o contido humano que se agocha tras moitas das historias" do deporte rei en Galicia. | North West Footbal Magazine. Así se chama un proxecto xornalístico que busca a outra cara do fútbol galego. O xornalista Pablo Varela é o encargado desta publicación que comezou "como un hipotético proxecto de fin de máster" pero que ten a idea de pervivencia e de se converter nun novo espazo para contar ese "contido humano que se agocha tras moitas das historias" deste deporte en Galicia. NWF pretende converterse nun novo espazo para contar ese "contido humano que se agocha tras moitas das historias do fútbol galego" Ao estilo das historias que contan programas como Informe Robinson ou revistas como Panenka ou JotDown, NWF busca ese nicho de mercado que si aparece en medios globais pero que non ten correspondencia na nosa terra. A publicación busca, en palabras do seu autor, "achegarse aos lectores usando exactamente o deporte como un motor de emocións, pero dentro da normalidade". Esa normalidade que representan figuras que van desde Sergio Lloves, xogador do Pontevedra que relata a súa aventura en Islandia; ata Dani Cancela, futbolista que acumula tempadas de experiencia en Hong Konk, pasando polas múltiples historias que regalan competicións domésticas como a Liga da Costa. "Queremos achegarnos aos lectores usando o deporte como un motor de emocións, pero con normalidade", di o autor "No xornalismo deportivo actual hai unha elevada nómina de excelentes profesionais, pero a cotío explótase un patrón de traballo que leva a unha idea errónea: afastar o deportista do concepto de persoa", explica Varela, que cre que é "imprescindible comprender que tras o futbolista ou o atleta hai un ser humano, coa súa particular historia detrás". O que busca Northwest Football Magazine é achegarse a estas historias. Pablo Varela inspirouse en programas como Informe Robinson, de Canal Plus e cre que no caso do fútbol galego hai casos dabondo "interesantes" para tratar, sobre todo, desde o compoñente humano. "Algúns xa están tratados, pero coido que non tanto como se podería", di. A idea é buscar esas historias, tanto dentro como fóra das fronteiras. "O fútbol galego atópase nun momento clave, con proxectos de canteira que están comezando a dar resultados e que poñen a Galicia no punto de mira a nivel internacional. E isto tamén leva a que moitos xogadores de aquí perdesen o medo a buscar o protagonismo fóra da nosa terra, en países como Grecia, Austria e ata Hong Kong. Algúns volven e outros non, pero a súa determinación está dando un xiro ao panorama futbolístico autonómico", relata quen pretende dar un amplo espazo tamén ao fútbol modesto e ao feminino. "Interesa a competición, pero non tanto o resultado e a estadística como o esforzo que se atopa tras todo iso", aclara. Varela aclara que a eterna emigración dos galegos "impulsa choques culturais" que propician historias "cun fondo de moito calibre" A eterna emigración galega achega aínda máis posibilidades para investigar e atopar todas estas historias. "A emigración e a saída temporal de moitos galegos a outros países de Europa e América impulsou choques culturais que teñen un fondo de moito calibre", lembra. A política, os problemas económicos, a socioloxía... Todo cabe. "O fútbol é un deporte de masas, o que provoca que se atope vencellado practicamente a todo o que o rodea, en particular a política. Pero non só o fútbol, senón outras disciplinas como o ciclismo ou o baloncesto. Todo garda unha historia detrás. Todo ten un momento e unha anécdota que paga a pena descubrir", aclara. Porque é difícil saber se a Pablo Varela lle gusta máis o fútbol ou as historias que arrodean o fútbol. "Encántame o fútbol, pero non o que se tenta transmitir agora. Nese senso son un nostálxico. Hai un erro de base que denota que quen toma as decisións no fútbol profesional non o fai mirando polo ben dos equipos ou dos seareiros", remata quen busca "definir" o seu proxecto final nas vindeiras semanas. O éxito dalgunha das publicacións anímano a buscar financiamento para "lanzalo definitivamente" na Rede. Non é doado e precisa dun número de lectores estable, pero os alicerces xa están postos. |
NOS_39717 | O investimento que dedica a Xunta da Galiza á Atención Primaria sitúase en 182,3 euros por habitante. No conxunto do Estado, o diñeiro destinado a sufragar os servizos sanitarios non hospitalarios e especializados representa o 14,2% do gasto total en saúde, mentres que na Galiza esa cifra colócase en 11,9%. O Goberno galego só supera na dedicación de fondos en Atención Primaria o Executivo madrileño e o das Illes Balears, ficando moi lonxe dos territorios de cabeza, como Estremadura ou Castela-A Mancha. | A Estatística do Gasto Sanitario elaborada polo Ministerio de Sanidade en base á liquidación orzamentaria de 2018, a última dispoñíbel, ofrece unha foto fixa do compromiso das Administracións públicas en materia de saúde. A este respecto, a parte dedicada ao diñeiro destinado á Atención Primaria "recolle a actividade asistencial realizada por médicos de familia, pediatras, enfermeiras e demais persoal sanitario e non sanitario encamiñada a conseguir o mantemento e mellora da saúde no primeiro nivel de asistencia sanitaria, tanto en centros de saúde como en calquera tipo de consultorios urbanos ou rurais ou nas casas dos doentes". O Ministerio de Sanidade indica no seu informe que entende por gasto sanitario en Atención Primaria os servizos prestados cos medios propios nos centros non hospitalarios, a "administración de tratamentos, curas e cirurxía menor", "os gastos das estruturas de xestión necesarias para o desenvolvemento da propia actividade asistencial" e "os gastos efectuados en actividades propias de Atención Primaria prestadas con recursos patrimoniais alleos a aquela entidade que financia a asistencia (concertos). Tales concertos poden estar subscritos con profesionais, institucións ou empresas que sexan de titularidade pública ou privada". Galiza destina á Atención Primaria 182,3 euros por habitante. Segundo os datos fornecidos polo Ministerio de Sanidade, só inviste menos Madrid, con 147,97 euros, e as Illes Balears, con 178,38 euros. Así, o gasto neste servizo do Goberno galego é 79,4 euros por habitante inferior ao de Estremadura; 73,3 euros por habitante inferior ao de Castela-A Mancha e 61,6 euros por habitante inferior ao de Nafarroa. Ao tempo, outros territorios cunha poboación menos avellentada que a galega superan o investimento por habitante do país, chegando no caso de Andalucía a 220,74 euros por habitante ou no País Valenciá a 196,46 euros por habitante. O orzamento da atención primaria Os orzamentos galegos de 2018 dedicaron 454,4 millóns de euros á Atención Primaria. A contía representa o 11,29% do diñeiro destinado nas contas públicas ao mantemento do servizo sanitario. A porcentaxe significa un investimento tres puntos inferior á medida estatal, situada en 14,2%, e fica lonxe daqueles territorios cun gasto sanitario máis elevado. Esta cifra en Andalucía chega ao 17,45% do gasto sanitario total, en Castela-A Mancha ao 16,96%, en Estremadura o 15,75% e en Castela e León ao 15,25%. Só Madrid, con 11,48% do investimento sanitario total destinado á Atención Primaria, e as Illes Balears, con 11,90%, presentan un gasto inferior ao galego. Os orzamentos de 2018 dedicaron 11,29% do gasto sanitario á Atención Primaria O envellecemento da poboación agrava a situación. Mentres o índice de envellecemento sitúase na Galiza en 202%, o cal representa 202 persoas maiores de 64 anos por cada 110 menores de 16; no Estado español sitúase en 125,79%, en Madrid no 110,85% e nas Illes Balears no 102,20%. A este respecto, certifícase un aumento na demanda dos servizos da Atención Primaria en función do incremento da idade da poboación e estabelécese unha correspondencia clara entre unha e outra variábel. Os investigadores da Universitat Pompeu Fabra Jaume Puig-Junoy e Ruth Puig Peiró teñen sinalado para o conxunto do Estado español con respecto á relación existente entre as visitas aos centros de saúde e a idade dos individuos, que hai dous colectivos que realizan un consumo de Atención Primaria que supera en 50% a media. "Por unha banda, a poboación de entre 0 e 4 anos e, doutra banda, as persoas de máis de 65 anos de idade. En calquera caso, comparada coas diferenzas detectadas para a atención hospitalaria e farmacéutica, a relación entre idade e consumo de atención primaria resulta moi acusada", afirman. 17 centros de primaria por cada 100.000 habitantes A realidade xeográfica da Galiza require dunha rede centros de Atención Primaria e dun número de facultativos axeitados á dispersión territorial. A este respecto, Galiza dispón de 465 unidades de Atención Primaria para prestar o servizo, 398 centros de saúde e 67 consultorios, o que representa 17,2 centros de Primaria por cada 100.000 habitantes, unha porcentaxe cinco puntos por baixo da media estatal e menos do dobre que áreas como Cantabria ou Nafarroa. Neste sentido, o médico de Atención Primaria e voceiro de SOS Sanidade, Manuel Martín, considera que "o número de sanitarios en Atención Primaria é claramente insuficiente por contar cunha poboación moi envellecida e dispersa". "A falla de persoal é escandalosa. O Plan de mellora para a Atención Primaria estabelecía en 2007 a necesidade de 350 médicos máis, pero desde aquela fóronse producindo moitas vacantes que quedaron sen cubrir polas limitacións á contratación impostas pola taxa de reposición", sinala Martín en declaracións a Nós Diario. A mesma opinión partilla o médico do centro de saúde de Outes Xosé María Dios, quen afirma a Nós Diario que "en Atención Primaria hai aproximadamente 1.000 prazas vacantes de médicos sen cubrir. As Ofertas Públicas de Emprego da Xunta da Galiza son absolutamente insuficientes xa que recollen para as anualidades de 2019, 2020 e 2021 un número de postos que non dá para atender as necesidades da área sanitaria de Vigo". O envellecemento e a dispersión determinan máis esixencias asistenciais A cobertura dos seguros médicos privados é outro factor diferencial da Galiza con Madrid e as Illes Balears. Así, na Galiza 16,3% da poboación é titular dun seguro privado, fronte a 29,5% da balear e 36,7% da madrileña, factor que reduce as necesidades do investimento público. Neste sentido, o barómetro de 2020 do Ministerio de Sanidade explica como a cidadanía galega opta polo sistema de saúde público nunha porcentaxe de 75,96%, mentres o 41,82% da poboación do Estado aposta polo modelo privado, encabezando os residentes en Madrid as preferencias por este sistema, até o punto de que 24,5% do total das persoas con seguro médico do Estado son madrileños. Unhas sancións inaceptábeis A Plataforma SOS Sanidade Pública reaccionou ao obxectivo da Consellaría de Sanidade recollido nos Acordos de Xestión en que se fixa que cando menos o 60% das consultas dos centros de saúde sexan presenciais. Tamén se marca a finalidade de catro días de demora máxima para unha cita. Do seu cumprimento depende o cobro do complemento de produtividade variábel das médicas e médicos, que adoita percibirse de maneira xeneralizada. Diante da nova instrución, a plataforma considera "inxustificábel e inaceptábel" o que considera unha "resposta" da Xunta da Galiza ás "mobilizacións realizadas en toda a Galiza nas que esixiamos a volta á normalidade da Atención Primaria". Carga contra as "medidas sancionadoras" para "aquel persoal que non alcance estes obxectivos". "A situación é consecuencia da falta de persoal sanitario e administrativo, da insuficiencia de liñas telefónicas, dos recortes en persoal e infraestruturas, da falta de espazos e locais e sobre todo dunha desastrosa xestión dos centros de saúde a cargo de persoas que ocupan os seus postos por afinidade política ao PP", denunciou a plataforma nunha nota de prensa na que acusa a Xunta de "pretender culpabilizar desta situación o persoal de Atención Primaria". Responsabiliza o Goberno galego de "enfrontar o persoal dos centros coa poboación", de "desanimar os traballadores", de "obrigar a cidadanía a contratar seguros privados para recibir unha asistencia que lles negan nuns centros semifechados e depauperados". SOS Sanidade Pública identifica como un dos obxectivos do Goberno galego "desmantelar o actual modelo de Atención Primaria e fechar centros e consultas, para concentrar os recursos sanitarios en hospitais e centros privados concertados". |
NOS_41192 | Os 'aloitadores' volven ao 'curro' de Sabucedo e recuperan a Rapa das Bestas, unha tradición centenaria que só a Covid puido parar. | Galiza recuperou esta fin de semana unha das súas tradicións máis antigas: a Rapa das Bestas, que data do século XVI. Só a Covid foi quen de parar unha festividade que non se interrompera en máis de 450 anos, nin sequera polo golpe de Estado do 36. Onte, a parroquia estradense de Sabucedo volveu vivir o espectáculo da loita entre home e cabalo salvaxe, que resulta esencial para desparasitar, sanear e protexer os cabalos galegos de monte. Despois de que na sexta feira se recollesen os animais, que pasaron a noite nas inmediacións de Sabucedo, na tarde deste sábado celebráronse os dous primeiros 'curros' da programación dunha edición especial da festa, que segue marcada polas restricións da Covid e que confía en recuperar a normalidade de cara á edición do próximo ano. As bestas regresaron ao 'curro', onde os 'aloitadores' procederon a tratar de domarlas para cortar os seus crines, desparasitarlas e marcalas antes de devolvelas ao seu medio natural. Ao recinto só puideron acceder un terzo das persoas que pode chegar a acoller, o mesmo que ocurrirá no segundo e último 'curro', previsto para a mañá deste domingo, que marcará o final dunha Rapa das Bestas que regresou este verán máis tarde do habitual, mais se puido celebrar. A ameaza dos eólicos A pandemia non é o único risco que ameaza esta celebración tradicional. O pasado mes, a Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo organizou varias actividades para concienciar a poboación da importancia de manter unha festa declarada de interese turístico e un animal que podería verse abocado á desaparición, segundo explicou a Nós Diario o seu presidente, Paulo Vicente Monteagudo, pola "agresión eólica nos montes de Sabucedo". Os cabalos de Sabucedo viven en liberdade durante todo o ano —agás os tres días que baixan ao curro por mor da rapa— nuns terreos que abranguen arredor de 3.000 hectáreas e que se verían gravemente afectados polos tres parques eólicos proxectados na súa contorna: Pico Touriñán —dez aeroxeradores e unha potencia total de 30 megawatts (MW)—, de Enel Green Power; Touriñán III-2 —oito turbinas e 24 MW—, de Greenalia, e Campo das Rosas —oito muíños e 27,6 MW—, de Naturgy. Os dous primeiros, alén de compartiren as infraestruturas de evacuación, atópanse nunha fase avanzada de tramitación e contan xa cunha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorábel. Malia que en 2006 se contabilizaban perto de 800 exemplares, hoxe o censo reduciuse a uns 350. "É fundamental conservalos, porque forman parte do noso patrimonio material e inmaterial, e é o mamífero salvaxe máis grande da Europa occidental", di, e lembra que as bestas son "un elemento fundamental de control da biomasa e do material combustíbel que pode provocar incendios". "Hoxe xa temos unha grave problemática, porque cando as bestas non teñen alimento no inverno baixan ás aldeas e entran nos prados que a xente ten fechados para dar de comer aos seus animais domésticos. Hai parques situados nas mesmas zonas onde os cabalos viven todo ano, polo que os desprazarían", advirte Monteagudo. Desde Rapa das Bestas están a tramitar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial para a festa, a fin de protexer "os poucos cabalos que quedan" das "múltiples agresións que poderían sufrir". |
NOS_44826 | A Xunta prevía alcanzar o medio millón de persoas no Gaiás en 2012, pero as cifras de 2014 seguen sen chegar a esa cifra, ademais de desvelar que non exerce ningún tipo de efecto chamada sobre o turismo, que apenas se despraza até o complexo. | En 2011, co faraónico proxecto de Manuel Fraga -polo tanto do PP- con menos dun ano en funcionamento, a Xunta de Galiza de Alberto Núñez Feijóo -tamén do PP- avanzou as súas previsións de visitas á Cidade da Cultura para 2012: medio millón de visitantes. Unha cifra moi afastada dos tres millóns que pode alcanzar a Catedral de Compostela, e xa non se diga das dun dos "dez principais museos do mundo", como profetizaba Iribarne que sería o deseñado por Peter Eisenman. Pero nin con esa modestia. Nin en 2012, nin en 2013 nin en 2014 a moi cara infraestrutura do Gaiás convocou a medio millón de persoas. Segundo as cifras facilitadas pola propia Conselleira de Cultura, 448.201 visitas recibiu a Cidade da Cultura o ano pasado, algúns máis que o anterior (370.000) pero lonxe dos números esperados e cuns gastos inmensos ás costas. En catro anos o Gaiás apenas alcanzou os visitantes que tivo o Guggenheim no ano de apertura Non alcanza aínda o complexo do Gaiás as expectativas depositadas para hai dous anos e mira con moita distancia os dous millóns de visitantes en catro anos de existencia, algo que por exemplo o Guggenheim de Bilbo no que se inspirou conseguiu en apenas ano e medio. Pero, en función da dinámica turística, o que na capital biscaíña é efecto chamada en Santiago é efecto rexeitamento, posto que a maioría dos que visitan a cidade non se moven até a Cidade da Cultura, como proban as cifras. Cada visitante pode custarlle á Xunta uns 22 euros Este fracaso -malia o entusiasmo co que a Xunta fala do ascenso no número de visitantes- supón a maiores un importante custo ás arcas autonómicas en tempos de crise económica e recortes en servizos públicos, para alén do protestada que é a infraestrutura desde o propio sector cultural. Así, aplicando as cifras que manexa a voceira de Cultura do BNG no Parlamento de Galiza, Ana Pontón, se cada día o Gaiás custa 27.000 euros do peto d@s galeg@s, resulta que por cada visitante a Xunta gasta como mínimo máis de 22 euros, en cifras redondas, xa que o retorno de ingresos que xera o espazo é mínimo e residual en comparación cos investimentos que precisa a diario. E isto sen ter en conta a catarata de millóns da súa construción. "Un dispendio", definía a propia deputada en outubro a situación. |
PRAZA_9668 | Hai que atender aos feitos, ás realidades, e non deixarse seducir por alarmismos pouco fundados e advertencias preventivas, as máis das veces elaboradas por mentes pouco preclaras. | Leo nun xornal de tirada estatal un artigo asinado por un deses "expertos" de despacho, nomeadamente hábiles no corta e pega que tanto abundan nas universidades españolas, que "el siglo XXI parece que será la era de la islamofobia y de la persecución de los musulmanes". Así, de súpeto e de xeito concluínte! A demostración de tal aserto sería, segundo este home, a matanza de Christchurch, onde tería quedado en evidencia que este fenómeno, de escala global xa, ten acadado o estadio terrorista, o da mobilización para a total aniquilación do inimigo mahometano. A xénese desta islamofobia a sitúa o susodito profesor, citando daquela maneira a un grande intelectual de orixe palestino, Edward Said, na "cuestión musulmá" de mediados dos anos setenta, vencellada esta co embargo petroleiro imposto á OPEP, a revolución islámica do Irán e a convulsa situación no Líbano, feitos que terían minado a imaxe dos seguidores de Alá en Occidente. Sería a partir de aí que este colectivo, alomenos o instalado en Europa, comeza a ser percibido con temor, como clan que non se integra plenamente nas sociedades de destino, acaparando os postos de traballo e as limitadas prebendas públicas, erixíndose "en el chivo expiatorio de las clases menos formadas". Logo chegaron os Al Qaeda, a "guerra contra a terror" e o Estado Islámico, acentuando as dinámicas racistas e xenófobas, converténdose en obxecto predilecto da ira e populismo neofascistas. A conclusión do noso "experto" é que a islamofobia é o principal caldo de cultivo do fanatismo e terrorismo islamita. Porque "si las comunidades musulmanas no encuentran suficiente protección en el sistema para poder expresar su religiosidad con garantías, éstas perderán la lealtad y la confianza en nuestro sistema político y por lo tanto buscarán nuevos protectores". Os musulmáns radicalizánse por residir en estados laicos e aconfesionais pero, entón, por que ocorre o mesmo, e desde moito antes, en países musulmáns onde o islam é relixión de Estado, marcando ritmos e usos, respectando -cando non impoñendo- a todos e todas até o extremo a doutrina do profeta? Non estaría de máis atender aos males do orientalismo, que non comezan co bo de Said e si coa construción "do árabe" -que se confunde as máis das veces co musulmán se ben non é o mesmo- aló nas colonizacións; introducir na análise as independencias e formación dos estados-nación musulmáns, a instrumentalización da relixión con fins políticas, expansión de doutrinas relixiosas esóxenas, nacionalismo árabe, conflitos propios e con terceiros, agromar do islamismo político e procesos de reislamizacion e novas influencias mediáticas; ou mesmo atender a variables como desenvolvemento, educación e analfabetismo, acceso aos coidados, protección, liberdade e democracia... Deixando de lado esaxeracións e simplificacións, non contribúe a paliar o fenómeno, teña este a dimensión que teña, a vitimización dos musulmáns, converténdoos en suxeito pasivo dunha radicalización inducida polas sociedades occidentais, sen atender a procesos moito máis complexos para cuxa comprensión é preciso afondar nunha pléiade de vectores e circunstancias. A carón de apocalípticos superficialmente informados predispostos a imputar a nós-outros occidentais todos os males da humanidade, están os adeptos das teorías da conspiración, con ou sen mecenas. Nunha canle de televisión iraniana que emite en español para América Latina alguén presentado como "analista político", responsable dun centro de investigación con sé en Euskadi, conclúe, sen matiz algún, que a islamofobia é un feito sen paliativos fomentado sistematicamente pola elite occidental para non perder a súa hexemonía mundial. Os ataques racistas e islamófobos como o de Nova Zelandia serían directamente inducidos, e mesmo dirixidos, por aqueles que controlan Occidente. Para este, un punto de inflexión nesta expansión intencionada da islamofobia foron os atentados do 11 de setembro de 2011 nos Estados Unidos, cando se terían impulsado de xeito sistemático vagas de fobia contra os seguidores do islam. Un odio e intolerancia por encargo, alimentado por actores sinalados pero non identificados cun obxectivo de dominación planetaria. Un complot en toda regra, vaia, no que novamente os musulmáns son presentados como vítimas, invariablemente determinados a sucumbir pola acción malintencionada de potentados occidentais. Máis aló do peregrino e pouco fundamentado da tese, certo que o "experto" vascongado queda descualificad case de partida pola natureza do medio difusor, unha canle financiada por Teherán para potenciar a súa influencia no mundo latino.Xunto con superficiais analistas e seudosexpertos afíns a unha determinada axenda política, outro segmento de vitimización provén do propio mundo musulmán, nomeadamente dos seus líderes. É así como varios destes responsables non dubidaron en atribuír o crime de Christchurch á "crecente islamofobia". É o caso do primeiro ministro do Pakistán, Imran Khan, ou mesmo do xefe da diplomacia turca, Mevlut Cavusoglu, quen arremeteron a través das redes sociais contra políticos e medios de comunicación occidentais, cargándolles a responsabilidade da matanza, ao mesmo nivel que ao propio asasino. O comunicado da universidade exipcia de Al Azhar, principal referente do islam sunnita, e as declaracións públicas de Anwar Gargash, ministro de Asuntos Exteriores de Emiratos Árabes Unidos, abondan nesta liña, apuntando á un suposto feito consumado: a islamofobia rampante como culpable. Mesmo sen tomar en consideración as frontes bélicas aínda abertas, como en Siria ou o Iemen, onde musulmáns acaban coa vida de musulmáns, a que atribuír logo as máis de 26.000 vítimas mortais provocadas por preto de 10.000 ataques terroristas en países de maioría musulmá durante 2017, segundo os dados dun recente informe elaborado pola Universidade de Maryland? Son tamén caídos pola vaga de islamofobia, andazo maior do século XXI segundo o experto citado unhas liñas máis enriba? Cando un responsable político musulmán profire certo tipo de enunciados debemos considerar que son para consumo de cadansúas opinións públicas, puro populismo cotiá, persuadido quen subscribe estas liñas, tras case tres lustros de residencia ininterrompida nestas entornas, que a realidade supera á demagoxia e que as leccións a impartir son máis ben poucas.Rexeitar a unha persoa ou grupo en virtude dunha característica, real ou imaxinada, é un acto epidémico, emocional, que non se pode xustificar pola razón. Insultar, deshumanizar ou violentar a unha persoa por mor da súa cor de pel, a súa orixe, relixión ou pertenza, baixo pretexto dun suposto vencello entre esta característica, a miúdo física e visual, e un estigma, é a mesma denegación da intelixencia humana. Hai que dicir non ao racismo e á xenofobia cada vez que os constatamos, baternos contra estes males de xeito cotiá. Pero tamén hai que atender aos feitos, ás realidades, e non deixarse seducir por alarmismos pouco fundados e advertencias preventivas, as máis das veces elaboradas por mentes pouco preclaras. E logo, unha constatado o mal de xeito fidedigno, actuar adecuadamente. O máis recente horror neocelandés de musulmáns asasinados por ser musulmáns foi obra dun tarado imbuído de ideoloxía supremacista. Un atentado, por certo, antimusulmán, que non islamófobo, xa que bebe do odio cara os seus adeptos e non se trata da crítica dunha relixión. Do mesmo xeito que rexeitamos a amalgama cando se produce un atentado reivindicado por radicais islamitas en Occidente, diferenciando entre unhas poucas mazás esganadas e a globalidade da umma (comunidade de fieis musulmáns), agora debemos aplicar a mesma lóxica e non dar renda solta a elucubracións e profecías. Porque se nos deixamos levar de xeito irresponsable é ben seguro que a vitoria é deles, supremacistas brancos e yihadistas. |
NOS_38783 | O presidente da Xunta considera que as decisións que Xoán Carlos I tomou como xefe do Estado "foron maioritariamente beneficiosas para España". | O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, admitiu esta segunda feira que lle "sabe mal" que o rei emérito, Xoán Carlos I, resida fóra do Estado español, unha opinión que cre que "comparte a maioría de españois", dado que non hai "ningunha causa específica que o inhabilite para ser rei emérito". Malia que asegurou que hai membros do Executivo de PSOE e Unidas Podemos "encantados" con esta situación, subliñou que "non é a mellor imaxe para España nin para o Goberno estatal". Así se pronunciou Feixoo nunha entrevista concedida á canle La Sexta e recollida por Europa Press, ao ser preguntado se considera que Xoán Carlos I debería estar no Estado español, como defendeu en reiteradas ocasións o ex presidente Mariano Raxoi, ou se cre que, regrese ou non, debería dar explicacións á cidadanía. O mandatario galego sinalou que as decisións que o emérito tomou como xefe do Estado "maioritariamente foron beneficiosas para España", aínda que recoñeceu que "as decisións a nivel persoal ou na súa vida privada pódense discutir". "Mais o que si me sabe mal, e supoño que a todos os españois, é ter o ex xefe do Estado vivindo fóra de España e, de momento, sen saber moi ben por que, polo menos desde un punto de vista obxectivo", salientou. "Non extrapolar os problemas internos" Neste senso, afirmou que "un país que se prece, os temas debe resolvelos dentro e non extrapolar os problemas internos", aludindo posteriormente ao feito de que ministros e cargos de Podemos estean a favor de que non volva ao Estado a pesar de non ter unha causa aberta perante a Xustiza. "Creo que non é a mellor imaxe para España, nin para o Goberno estatal, nin para os españois, mais vexo que hai moita xente no Goberno que está encantada con esta situación e que ademais entende que o rei emérito non pode volver a España aínda que non teña neste momento ningunha causa específica que o inhabilite para ser rei emérito como é na actualidade", concluíu. |
PRAZA_14267 | A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público leva ata San Caetano unha representación teatral da "realidade" do ensino no país caracterizada, denuncian, pola priorización da escola privada concertada e o recorte de "máis de 2.000 profesores e profesoras" dende 2009. Audio no interior. | "-Máis xubilacións e máis alumnos igual a... menos profesores! -In English, please!". É un dos diálogos que se puideron escoitar na mañá deste luns nas inmediacións da Consellería de Educación. Tras meses de protestas de diferente formato para rexeitar os recortes educativos a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público dedicidu desta volta botar man da retranca para, no inicio do curso escolar en secundaria, transmitirlle á sociedade "máis que unha parodia, unha realidade teatralizada" do que para este colectivo foi, en verbas do seu voceiro, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, un verdadeiro "trienio negro" para a escola pública. Profesores transformados en alumnos, por unha banda e en alumnas, pola outra, ateigaban as cadeiras colocadas fronte á sede da Consellería. Ao son da gaita procuraban o seu sitio ollando para os indicadores: "boys/niños" dun lado, "girls/niñas", do outro. Á fronte da clase, uns peculiares Alberto Núñez Feijóo e Jesús Vázquez, tesoira en man, impartían clases de recortes por doquier ata que un bispo e un crego irromperon na aula. Previa bendición, reciben unha cuantiosa suma de cartos públicos. "Ao mesmo tempo representamos a masificación das aulas, a falta de profesorado e a cativa presenza do noso idioma no ensino", explica Louzao, nun inicio de curso no que "o PP está a actuar como unha verdadeira fábrica de crear desemprego" entre os docentes: desde 2009 hai "2.000 profesores menos no ensino público", calcula a plataforma. Mentres, "dedícanse ao ensino privado concertado máis de 248 millóns de euros ao ano". A plataforma denuncia un recorte de 2.000 docentes "mentres se dedican 248 millóns ao ano á privada concertada" "Profe, non collemos na aula!", protestaban o particular alumnado mentres o cabezudo conselleiro amagaba con botar man da regra e non era quen de responder ás preguntas da aula, metáfora dos "800 profeseores e profesoras que teñen que impartir materias nas que non son especialistas". "Falta planificación" e mesmo danse "actuacións irregulares e anómalas", denuncia Louzao, caso por exemplo dos "55 profesores" con praza pero "sen destino, que saben que van traballar nunha zona aproximada, nun radio de 50 quilómetros" mentres "ao mesmo tempo hai centros que necesitan profesorado para atención á diversidade" ou para "programas de cualificacións" especialmente "masificados". Parodias á parte, a Plataforma considera "evidente" que no comezo do curso 2012-2013 "se vai conculcar o dereito á educación de moito alumnado no noso país, na medida en que as baixas non se van cubrir" se duran "menos de 10 días". "Ese alumno ou alumna, no mellor dos casos -explica- estará atendido por profesores que non son especialistas, e digo no mellor dos casos porque haberá centros que teñan que agrupar dúas aulas, porque non vai haber profesorado dabondo para cubrir as gardas", describe Louzao, nun contexto no que para moitos traballadoras e traballadores do ensino o "panorama é máis que escuro", con "máis de 1.000 profesores" que viñeron traballando como substitutos e interinos e que agora "non foron chamados", en moitos casos tras "quince, vinte ou vinte e cinco anos traballando". "A pesar do que digan o presidente e o conselleiro estase a poñer en tea de xuízo o dereito á educación", conclúe. |
NOS_40384 | A deputada Olaia Fernández presentou unha iniciativa que recolle as protestas contra algúns aspectos da ampliación do AP-9 que xorden desde a comarca do Morrazo. | A portavoz do BNG no Congreso de Madrid, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que pide á Ministra de Fomento, Ana Pastor, que o proxecto construtivo da ampliación da AP-9 na ponte de Rande "non prexudique aos habitantes da comarca de O Morrazo". Explica a deputada do BNG que no BOE do 17 de maio de 2014, publicouse a resolución de Fomento coa aprobación definitiva do proxecto de ampliación da AP-9 no acceso á ponte de Rande. Pón de manifesto que xa os veciños de A Chamusca en Moaña presentaran no ano 2010 alegacións ao proxecto construtivo en Exposición Pública. "O seu malestar viña ao comprobar que dito proxecto metía nun funil o tráfico do Morrazo ao impedirlles o uso dos dous carrís actuais para acceder á comarca", di. A nacionalista traslada ao Ministerio de Fomento que o trazado do terceiro carril nun tramo de 6 quilómetros desde o enlace de Teis até a estación de servizo de San Simón, "é na práctica un caixón posto que leva o tráfico do Morrazo a unha trampa sen saída". |
NOS_33081 | Deixáronse de atender xa as operacións de carácter ordinario. | O xefe do Servizo de Cirurxía Xeral do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), José Noguera, mandou á cidadanía unha petición de "auxilio" ao demandar a súa axuda para "controlar" o coronavirus facendo "caso" ás solicitudes de autoconfinamiento e ás restricións marcadas polas autoridades sanitarias. "A día de hoxe estanos custando manter as cirurxías urxentes e oncolóxicas", sinala nun audio remitido aos medios de comunicación no que afirma tamén que xa non poden atender "as intervencións ordinarias". "Pola cantidade de recursos humanos e materiais que temos que destinar no hospital para a atención por Covid", incide este profesional. "Necesitamos os nosos quirófanos, camas de reanimación, anestesistas, enfermeiras, cirurxiáns e necesitámolo para atenderche", asevera na súa petición de colaboración por parte da cidadanía. "É pola túa saúde, pola dos teus familiares, pola saúde de todos", conclúe. As hospitalizados aumentan nas sete áreas sanitarias galegas, coa da Coruña e Cee á cabeza, con 305 ingresados con Covid en unidades convencionais -23 máis- e 48 en UCI -un máis- |
NOS_16579 | A segunda edición da biografía Ricardo Portela. Dúas palabras verbo da gaita galega xa está nas librarías, logo dun arduo traballo de colaboración entre o autor da obra, José Luis Calle, e a Asociación de Gaiteiras Galegas. | A segunda edición da biografía Ricardo Portela. Dúas palabras verbo da gaita galega xa está nas librarías, logo dun arduo traballo de colaboración entre o autor da obra, José Luis Calle, e a Asociación de Gaiteiras Galegas. O libro, que se editou ao abeiro das axudas para publicacións do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, constitúe un traballo de referencia para a música tradicional. Desta volta, a obra de José Luis Calle conta con catro capítulos máis nos que se afonda na técnica, no xeito de expresar coa gaita e tamén no lado humano de Ricardo Portela. O volume de Calle publicouse por primeira vez en 1988 e, en 2020, comezouse a traballar nesta segunda edición co gallo do centenario do nacemento de Ricardo Portela. Tamén a modo de homenaxe, publicouse o ano pasado a obra De gaiteiro a gaiteiro. Vivencias, transcricións e análise, con autoría do músico Carlos Núñez e publicado polo Consello da Cultura Galega (CCG). O 'gaiteiro de Viascón' Ricardo Portela foi tamén coñecido como "gaiteiro de Viascón" por ser este o lugar de Pontevedra no que naceu. Desde que con 12 anos recibiu as primeiras clases de gaita do 'Moreno de Lavadores' está considerado un dos grandes gaiteiros tradicionais, e foi un gran defensor da dignidade do instrumento ao manterse afastado dos círculos oficiais que o relegaban a instrumento para a exhibición patriótica ou a curiosidade exótica. Na súa memoria o Concello de Pontevedra organiza desde 2000 o "Memorial Ricardo Portela e Irmáns Pichel", un concurso con participantes de toda Galiza na categoría de toque fechado en solista. |
PRAZA_16911 | As fortes treboadas do pasado domingo provocaron un aluvión de terras que tinxiu de gris do Río Lor. En outubro o lume arrasou 140 hectáreas en Meiraos e Caurel Vivo critica que a única actuación da Xunta foi "botar dous camións de palla en decembro. "Se non se fai prevención, a culpa non é só dos incendiarios", di Óscar Carrete | As fortes treboadas do pasado domingo e a intensa chuvia caída no Courel provocaron o arrastre de cinza, que tinxiu de gris camiños, leiras e o propio río Lor, uns aluvións de terra queimada que xe produciu noutras ocasións durante o inverno. O pasado mes de outubro un incendio arrasou 140 hectáreas en Meiraos. Porén, segundo denuncia Caurel Vivo, "a única actuación que levou a cavo a Xunta foi botarlle dous tráilers de palla para beneficio de algúns". Ademais, isto fíxose en decembro, case dous menos despois dos incendios, un atraso que xa foi denunciado no seu momento pola formación. Óscar Carrete, voceiro de Caurel Vivo en Folgoso, critica que "o Concello e a Xunta non fan prevención ao longo do ano". "Non só é culpa do incendiario. Concello e Xunta teñen o deber de facer prevención", di. "Onde están as faixas de protección ao redor das aldeas, como manda a lei? Onde está o desbroce ao lado das pistas e estradas e a limpeza de cunetas? Onde están esas 30 medidas anunciadas pola Xunta de Galicia?", pregúntase. Carrete conclúe desexando "que sexa un verán tranquilo que supla a incompetencia das administracións". |
NOS_45008 | Esta segunda-feira dia 10 de julho terá lugar no Edifício CERSIA uma jornada organizada pela União das Cidades Capitais de Língua Portuguesa e a Cidade de Santiago de Compostela com o apoio da AGLP sobre as posibilidades económicas que abre compartir língua para os países lusófonos. | Esta jornada tem como objetivo abordar a importância da língua, nomeadamente na vertente econômica, e destacar as possibilidades que envolve facto de a Galiza dispor de uma língua comum com os países da Comunidade Lusófona. O encontro começará às 9:30 da manhã cum ato de inauguração e continuará com dois painéis que levarão por nome "A oportunidade do caminho português de Santiago" e "A oportunidade do espaço galaico-luso-afro-américo-asiático", respetivamente. Na jornada está prevista a intervenção do presidente da Câmara Municipal de Braga, Ricordo Rio, a do presidente da Câmara Municipal de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, bem como a de diferentes representantes e personalidades do ámbito político, económico e linguístico do mundo lusófono. |
NOS_51928 | O primeiro balanzo da Oficina de Drets Civils i Polítics da Generalitat de Catalunya cifra en 328 as agresións da ultradereita naquel país. Ademais, rexistra unha vintena de grupos activos. | O organismo, constituído polo Govern o pasado outubro, informa de que a maioría das actuacións dos extremistas de dereitas acontecen na área de Barcelona, 267 casos. Despois está Girona, 40, Tarragona, con 15, e Lleida, con seis. Os datos, segundo explica o xornal dixital El Nacional, recollen suceses desde xaneiro de 2017. O documento da Oficina expón como os grupos de ultradereita se organizan "de xeito paramilirar e actúan en concellos de maioría social independentista, con vontade de intimidar a poboación". Roubo de materiais reivindicativos da vía pública -bandeiras esteladas, pancartas, etcétera- ou ataques a monumentos, sedes de entidades ou casas particulares son as súas principais accións. O organismo realiza un chamado ás vítimas das actividades da ultradereita ou de "calquera ataque contra os dereitos civís e políticos" a que os poñan en coñecemento dos xulgados e da propia Oficina de Drets Civils i Politics. Nos tres primeiros meses de funcionamento, a Oficina tramitou "30 queixas, un 36,7% por incidentes da ultradereia, un 30,1% por vulneración dos dereitos de participación política, un 6,6% por vulneración de dereito ao honor e outro 6,6% por actuacións dos corpos e forzas de seguridade". |
Subsets and Splits
No saved queries yet
Save your SQL queries to embed, download, and access them later. Queries will appear here once saved.