ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
PRAZA_5409
É desalentador comprobar o aliñamento automático da UE cos EEUU sen que abrolle unha política independente nunha área xeoestratéxica na que os europeos deberían liderar unha posición acorde cos seus intereses.
A crise ucraína volveu poñer sobre a mesa o papel subsidiario da Unión Europea nos asuntos internacionais, incluso —coma sucede neste caso— nun conflito que se desenvolve a carón das súas fronteiras. Ao inicio da crise faltou tempo para que as autoridades comunitarias se sumasen ás medidas punitivas promulgadas por Washington contra Moscova, aínda que os distintos intereses nacionais as reducisen a meras protestas institucionais de pouco ou nulo contido real no plano económico, pero dun alto valor simbólico polas consecuencias que delas se poden derivar nun futuro próximo por canto poden anular a capacidade europea de incidir positivamente na solución dunha crise orquestrada torpemente dende Occidente. A retirada a Rusia das credenciais da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa (PACE) é un erro que non beneficia a ninguén. Neste asunto o sentido común e o interese xeral foron substituídos pola soberbia máis temeraria e irresponsábel. A crise ucraína volveu poñer sobre a mesa o papel subsidiario da Unión Europea nos asuntos internacionais, incluso —coma sucede neste caso— nun conflito que se desenvolve a carón das súas fronteiras A pesares da rapidez con que se suceden os acontecementos en Ucraína o último acordo internacional confirma esta tese. O chamado acordo cuadripartito —EEUU, Rusia, UE e Ucraína— en realidade é un acordo a dúas bandas entre Rusia e EEUU imposto ao resto das partes. Trátase doutra xogada da diplomacia rusa que conseguiu os tres obxectivos que leva proclamando dende o inicio da crise: O chamado acordo cuadripartito —EEUU, Rusia, UE e Ucraína— en realidade é un acordo a dúas bandas entre Rusia e EEUU imposto ao resto das partes 1. Que non se discuta a incorporación de Crimea a Rusia, acordada en referendo e de forma pacífica pola inmensa maioría da poboación 2. Que o desarme dos grupos prorrusos debe facerse simultaneamente cos pro Kiev (neonazis, Sector Dereito, …) 3. Que non se poderá regularizar a situación se non se elabora unha nova constitución —coa participación democrática de todas as partes implicadas— que recoñeza o carácter federal de Ucraína e os dereitos das zonas de maioría rusa, así como o dereito das minorías rusas ao recoñecemento do seu idioma E todo isto sen que —como manifestou o ministro de exteriores Lavrov ao remate do encontro de Xenebra— Rusia recoñeza a lexitimidade do goberno golpista de Kiev e advirta que calquera acordo estará supeditado á permanencia do carácter neutral de Ucraína, é dicir, que non debe formar parte da OTAN. Haberá que agardar a ver o curso dos acontecementos, aínda é cedo para saber se este acordo chegará a bo porto. É desalentador comprobar o aliñamento automático da UE cos EEUU sen que abrolle unha política independente nunha área xeoestratéxica na que os europeos deberían liderar unha posición acorde cos seus intereses En calquera caso é desalentador comprobar o aliñamento automático da UE cos EEUU sen que abrolle unha política independente nunha área xeoestratéxica na que os europeos deberían liderar unha posición acorde cos seus intereses. Uns intereses que a todas luces non coinciden cos de EEUU coma se desprende da famosa frase Fuck the UE da Secretaria de Estado adxunta Vitoria Nuland. Pero nin esta humillación pública dun alto cargo norteamericano nin as graves consecuencias dun enfrontamento con Rusia para a economía dos países europeos, que na actualidade se benefician de contratos enerxéticos vantaxosos con Moscova, parecen suficientes para que a Comisión Europea ou os principais estados da Unión —nomeadamente Alemaña, demasiado ocupada no sometemento dos seus vasalos— freen a arrogancia de Washington. É probábel que a clave desta dependencia política estea en relación directa con dous factores esenciais: a urxencia para EEUU da Integración Económica Trasatlántica e a estrutura militar da OTAN. Washington non ve con bos ollos a colaboración de Alemaña, e outros países, con Rusia e intenta por todos os medios esborrallar esa alianza económica. Pensa que unha dependencia enerxética do gas ruso debilitará os nexos transatlánticos a medio prazo ao tempo que fortalecerá a emerxente economía rusa, un país cada vez máis independente nas súas decisións e distanciado dos excesos do sistema neoliberal, ademais de ser a segunda potencia militar do planeta en produción e exportación de novísimos sistemas de armas. Para neutralizar esta incipiente alianza EEUU leva adiante unha política estratéxica que combina o rearme europeo —con armas americanas— coa desarticulación da colaboración económica cos rusos metendo a cuña ucraína no corazón de Europa. Para neutralizar esta incipiente alianza EEUU leva adiante unha política estratéxica que combina o rearme europeo —con armas americanas— coa desarticulación da colaboración económica cos rusos Algúns insisten —seguindo a Zbigniew Brzezinski— en que Ucraína xa formaba parte das xogadas do xadrez norteamericano pola súa importancia estratéxica, sen embargo esta tese —de máis longo percorrido— é compatíbel coa anterior e ambas ilustran a persistencia occidental na errada visión do país eslavo que xa causou graves desgustos a estrategos da talla de Napoleón ou dos mariscais alemáns. O Alto Mando da OTAN está situado nun distante e ben protexido búnker norteamericano, mentres os pobos europeos só teñen a misión de ser carne de canón No que sería importante cavilar é nas características do rearme da OTAN, deseñado cos mesmos criterios que na Guerra Fría, onde se contemplaba un teatro de operacións no que o primeiro golpe dunha hipotética III Guerra Mundial acontecería en Europa de tal xeito que os americanos seguen confiando en que se pode derrotar a Rusia, aínda que sexa a cambio da devastación do territorio europeo. Este rearme está pasando desapercibido entre a opinión pública e sería importante divulgar o que está acontecendo, os custos económicos de tal operación e o papel que desempeña o Estado Español nesta ofensiva estratéxica, un dos baluartes da flota estadounidense anti mísiles. Na actual estrutura da OTAN hai unha diferenza clara de cometidos entre os estados e, como en calquera estrutura militar, unha cousa é o mando e outra a tropa. O mando pensa, planifica e ordena; a tropa executa e obedece en silencio. Isto é o que acontece actualmente en Europa, o Alto Mando da OTAN está situado nun distante e ben protexido búnker norteamericano, mentres os pobos europeos só teñen a misión de ser carne de canón. Agardemos que esta terminoloxía bélica só sexa unha acaida metáfora literaria.
NOS_35831
O semanario dedica a reportaxe de apertura á recoñecida autora galega cando se conmemoran dez anos da creación do Día de Rosalía, que tivo unha grande acollida entre a sociedade galega. Neste novo número, que atoparás mañá en quiosques e noutros puntos de venda habituais -aliás da nosa tenda en liña- tamén se fai unha lembranza intento do golpe de Estado do 23-F. Non perdas a oportunidade de ter nas túas mans unha edición irrepetíbel!
O Día de Rosalía chega ao seu décimo aniversario coma unha data marcada no almanaque das e dos galegos e o Sermos Galiza fai unha parada en analizar a orixe e a evolución desa homenaxe no texto 'Dez anos celebrando Rosalía. Unha festa popular'. Na reportaxe de apertura deste número o xornalista Manuel Xestoso pon o foco sobre a efeméride, que naceu para "festexar" a literatura e o libro galego pero que tivo un percorrido máis amplo, tomándose como referencia para gran parte da cidadanía. O 24 de febreiro, coincidindo co aniversario do nacemento da poeta, "é xa unha data na que a sociedade galega se contempla a si mesma para entenderse e recoñecerse", pois dalgunha forma recolleu a iniciativa en forma de convite para amosar o orgullo cultural. A entrevista desta semana, baixo o título 'Manuel Castelo Mexuto. Pondal como fundador da patria', repasa o ensaio A máquina ousada, que fai unha lectura de Queixumes dos pinos. Castelo conversa con Manuel Xestoso de libros, de piñeiros, de literatura... Imaxe da capa do semanario, obra de Álex Rozados. Este sábado tamén é tempo de botar a vista atrás para lembrar aquela tentativa de golpe de Estado do 23-F. Manuel Monge asina 'O franquismo que non cesa. Por que continúan os manifestos dos militares franquistas?'. Na análise fala, por exemplo, de que o rei emérito nunca chegou a condenar "a sublevación do 36" e de que moitos "golpistas conservan títulos nobiliarios". No Andar e Ver, o Colectivo Xea formado por Xan Colazo, Mon Daporta e Adela Leiro considera que é tempo de visitar 'A costa do Vicedo'. Neste novo Sermos tamén hai tempo para aprender de libros con Mario Regueira e Susana Sanches Aríns. Pola súa parte, Belém Tajes e César Morán fan un repaso pola música, mentres que Andrés Castro fornece algunhas propostas cinematográficas para a fin de semana. Manuel Xestoso e Vanesa Sotelo ocúpanse dos textos do apartado de Escena. Para fechar o Sermos Galiza, atoparás os pasatempos creados por Xerardo R. Roca e Xoán Costa. Se queres gozar do semanario nesta edición tan especial non tes máis que procurala mañá, xunto co Nós Diario, nos quiosques e demais estabelecementos habituais, así como na nosa tenda en liña para a súa lectura na nube. Non perdas máis números por non ter a subscrición feita, apura!
NOS_10178
Melisa Pagliaro Fernández é desde 2019 a directora de mercadotecnia de Gadisa Retail, cuxa rede de distribución é a máis extensa da Galiza, e a finais de 2021 asumiu, tamén, a dirección de Responsabilidade Social Corporativa. Estudou Relacións Públicas, é técnica superior en Mercadotecnia e cursou o Máster en Dirección de Mercadotecnia e Xestión Comercial na escola de negocios ESIC.
Leva máis de 17 anos traballando no departamento de mercadotecnia de Gadisa Retail, onde pasou por Fidelización de Clientes, Promocións e Publicidade, até o punto de se dedicar no pasado á corrección dos folletos informativos das ofertas. É, por tanto, unha das persoas que máis de perto coñece a empresa. Cal considera a chave do éxito de Gadisa? Penso que é o feito de manternos fieis aos nosos principios, sempre. Apostar pola nosa terra, a nosa xente, o produto local, os mostradores, a variedade, a calidade e a atención personalizada desde que nacemos. Nacemos con esta aposta e non mudamos. Isto para o posicionamento dunha empresa, é fundamental. Fan gala da galeguidade na súa imaxe corporativa e publicitaria. A galeguidade vende? A galeguidade exércese, sen complexos. Gadis é unha empresa cento por cento galega, que toma decisións propias, que crea riqueza e coñecemento na Galiza, e esa riqueza e ese coñecemento quedan aquí, non se van. Isto permite reinvestir e crear valor sustentábel nela. Crer en ti mesmo é algo que motiva e agrada en todo o mundo e, no noso caso, crer en nós mesmos significa crer nas nosas rúas, as nosas aldeas, a nosa forma de ser e, por tanto, a nosa galeguidade. Crer en que somos capaces de facer o mellor e de competir con calquera, moitas veces co vento en contra e en condicións peores que os que veñen de fóra. Gadis é unha das empresas do sector que máis referencias de produtos galegos exhibe nos seus andeis. Cales son os máis valorados pola persoa consumidora? Todos os produtos que xeran riqueza e valor na Galiza son moi ben valorados pola consumidora e o consumidor. Os produtos frescos: peixes e mariscos, carne, froita, verdura, queixos, e tamén as conservas, son os máis valorados. Hai que ter en conta que os produtos frescos forman parte da cultura dun país: somos o que comemos, e comemos como somos. Defínennos. Os grandes xigantes estatais ou europeos do sector da distribución non poden coas marcas do país, o que explica o liderado no mercado galego de compañías como Gadis. A que cre que se debe? Aquí compítese, en primeiro lugar, crendo nun mesmo, crendo que es capaz, con moita humildade, moitísimo traballo e moitísimo esforzo. E, sobre todo, con moito reinvestimento. Se non reinvistes aquí é difícil poder ser competitivos. Unha das chaves está precisamente en non ter que interpretar e forzar, como fan moitos cos produtos locais, cando a súa principal forza son as marcas propias producidas en grandes volumes. O local está de moda e por iso outros grupos fan gala de apostar polo produto galego, e está ben. Nós queremos que a Galiza medre, pero non sempre esas apostas son xenuínas ou de todo transparentes, sobre todo cando as ganancias non quedan aquí e as decisións transcendentes tampouco se toman aquí, polo que non priorizan os intereses da Galiza. Para nós o local é a nosa esencia e iso fai que saia de forma orgánica a nosa relación co noso público. Sempre fomos transparentes neste sentido. Isto é de primeiro de mercadotecnia: ao consumidor non debes enganalo nin mentirlle. Falabamos da importancia dos produtos galegos nos supermercados do grupo Gadisa. A canto ascenden as compras realizadas pola compañía a provedores galegas e galegos? Nós fomos os primeiros e os máis decididos en apostar polos produtos locais galegos e isto tivo un efecto multiplicador. Non só se beneficiaban do que podían vender en Gadis, senón que os que querían competir connosco tamén lles compraban para poder aliñarse e non quedar atrás. Nese sentido, consideramos que o noso impacto na produción local foi moi produtivo e sentímonos orgullosos e satisfeitos. Cando creamos Mercaverde [o primeiro almacén de frescos de Gadisa], hai xa trinta anos, a nosa plataforma de produto fresco en Betanzos supuxo poder xestionar os frescos locais cunha eficiencia até entón descoñecida. Ao longo destes anos, fomos crecendo da man e en 2021 compramos produto local a máis de 1.000 provedores de proximidade por importe de 390 millóns de euros. Que activos de Gadisa destacaría? O maior activo de Gadis son as persoas; son o motor da empresa e os nosos obxectivos non se poderían alcanzar sen elas. E as debilidades? Como debilidade, diría que nós competimos con empresas cinco, vinte e cen veces máis grandes que a nosa, o que fai que gañar a partida diaria sexa un desafío constante. Ao fin e ao cabo, é o consumidor o que nos mantén vivos e activos porque sente o proxecto de empresa como seu, aliñado cos seus valores, porque confía na marca e o servizo que recibe. Como é o contexto actual que vive o sector do retail alimentario? A crise sanitaria puxo aínda máis de manifesto a necesidade de apostar polo produto local. A resposta pode soar algo 'marquetiniana' e antiga: o do contorno VUCA. Que o contexto sexa volátil, incerto, complexo e ambiguo paréceme acaído para definir esta situación. Agora agregaríamos a "h" de hiperconectados. Os estragos da pandemia, a inflación, a guerra... obviamente todo isto nos afecta, como a todos os sectores, e isto fai que teñamos que estar moi atentos para atender o consumidor, facilitándolle a vida, sendo a mellor opción e tentando que neste momento tan difícil para tantas familias, a súa experiencia de compra sexa boa. Penso que a pandemia si puxo de manifesto esa necesidade de apostar polo produto local, que é algo que xera riqueza na contorna e é respectuoso co medio ambiente, pois canto máis local, menos quilómetros, menos plásticos e menos contaminación. Nós sempre apostamos polo produto de proximidade, traballando man a man cos provedores locais, con quen temos relacións duradeiras, de confianza e de crecemento mutuo, porque aquí aprendemos as dúas partes. Que foi o que máis mudou a crise sanitaria no sector? Como está a afectar a inflación disparada aos hábitos de consumo? A crise sanitaria trouxo novos hábitos de consumo, a xente empezou a ser máis consciente da saúde, a ser máis sensíbel á sustentabilidade ambiental e social. Mais coa inflación, algúns destes hábitos modificáronse. Nós facemos un grande esforzo para que todos os clientes poidan seguir elixindo que comprar, revisando prezos en todo momento e buscando as mellores opcións para poder ofrecer saúde, variedade e prezo no cesto da compra. Por que cre que as galegas e galegos elixen Gadis? Porque saben elixir! (ri). Somos un máis, escoitámolos, coidámolos e eles prémiannos coa súa confianza. Somos unha empresa comprometida coa sustentabilidade social, medioambiental e económica. Como considera que afectará a crise que semella asomar? Lamentabelmente vai afectar a economía de máis familias, tendo en conta que xa hai moitas pasándoo mal. Nós debemos seguir traballando para que a compra de alimentación sexa unha solución e non un problema. Ademais de seguir apoiando co noso plan de responsabilidade social os máis vulnerábeis. En 2021, colaboramos con máis de 200 asociacións e ONG para axudar a xente que está a atravesar un mal momento. Como define o modelo de negocio de Gadisa? Nós non cremos no low-cost, apostamos por outro modelo que consideramos mellor para o consumidor, porque ten máis onde elixir e máis calidade, e ademais é máis intensivo e profesional en man de obra, apostando por produtos locais e frescos. Seguimos crendo nos mostradores: compras o que necesitas e utilizas menos plástico. Isto tradúcese nun reparto da riqueza, respecto ao medio ambiente e á sociedade. A humildade, a convicción e o sacrificio deben ir por diante. Que perspectivas de desenvolvemento contemplan? Agora que están a dar o salto a España, prevén facer o mesmo en Portugal? A nosa perspectiva é seguir crecendo. Temos un Gadis Hiper en Tui cunha gran porcentaxe de clientes portugueses, polo que nos encantaría estar en Portugal, pero de momento non o contemplamos. Foi elixida unha das 20 mulleres máis influentes do sector, polo seu traballo, segundo Extra Digital, unha das publicacións de referencia da información vinculada á mercadotecnia e á publicidade. Cal é a estratexia do departamento que dirixe? É unha honra formar parte desa lista. A estratexia consiste en ter un plan A, B e C e a axilidade necesaria para cambialo se fai falta. Ao final quen sobrevive non é o máis forte, senón o máis rápido á hora de adaptarse ao cambio. E isto acontece en todos os ámbitos da vida. É fundamental rodearte de xente boa, que sexa creativa e capaz. Eu son quen son non por min, senón pola xente que me rodea e que me permite crecer. O principal é rodearte de boa xente. Ademais, e outra vez, apelo á humildade, a saber escoitar e a vivir a realidade do teu consumidor. Como perdas a visión da realidade, pouco tes que facer. Representou a campaña "Vivamos como galegos" un punto de inflexión na mercadotecnia galega? Eu creo que si, contaxiou a actitude que recibimos dos nosos maiores, a de crer que se pode crecer aquí e en calquera parte, pondo en valor as marabillas desta terra, non sempre recoñecidas. Cando optamos por facer accións de comunicación que reflectisen a nosa identidade, a nosa orixe, a nosa forma de ser e de pensar, fixémolo sabendo que somos un David competindo contra grandes Goliat franceses, alemáns, valencianos ou vascos que teñen unha dimensión moitísimo máis grande que a nosa. Para cando unha próxima entrega da campaña? Pode adiantarnos algo ao respecto? Non podo adiantar nada. Estamos traballando niso.
NOS_15014
O xornalista Manuel Rico, que vén de publicar 'Vergoña: o escándalo das residencias', alerta de que a Xunta só ten 7 inspectores.
A Fundación Luzes organizou este sábado un coloquio para presentar o libro 'Vergoña: o escándalo das residencias', unha investigación do xornalista galego Manuel Rico que vén de ser galardoada co premio José Couso de xornalismo. Nos primeiros días do confinamento, en marzo de 2020, na meirande parte das residencias públicas e privadas faltaba material sanitario básico como máscaras, EPIS ou probas diagnósticas da Covid-19. "Os directores limitáronse a culpar o Goberno estatal destas carencias", censura Xan Carlos Ansia, delegado da CIG no comité de empresa de Política Social e traballador do centro de Volta do Castro (Compostela). Neste senso, Ansia salienta que as e os directores dos centros públicos son persoas "nomeadas a dedo pola conselleira de Política Social e débenlle obediencia". "As residencias deberían dirixilas profesionais do sector con experiencia", conclúe. O delegado da CIG pon tamén o foco na opacidade que arrodea o "comité de persoas expertas" que asesora á Consellaría na elaboración dun "novo modelo residencial". "Non sabemos quen son", di. Nós Diario xa denunciara esta cuestión o mes pasado, e non obtivo resposta após solicitar ao departamento de Política Social da Xunta a relación de membros. Ximena Campos, técnica superior de xestión xerontolóxica no Consorcio Galego de Servizos, Igualdade e Benestar da Xunta (impulsado polo Goberno bipartito), convida a "ese comité cuxa identidade descoñecemos" a estabelecer un diálogo coas e cos profesionais das residencias que están a desenvolver "experiencias moi positivas" en materia de xestión. "Temos un sistema de boas prácticas que funciona e que é un gran descoñecido, traballamos por ofrecer habitacións individuais a todas as e os residentes", expón. Falta de inspeccións "Non me gusta xeralizar, mais moitas residencias privadas da Galiza antepoñen o lucro á calidade dos coidados", alerta Rico, quen sinala que a pandemia colleu por banda uns centros que padecían numerosos "defectos estruturais". A respecto desta cuestión, Manuel Rico ve como unha das principais deficiencias do modelo das residencias na Galiza a falta de inspeccións: "Segundo datos de finais de 2019, no país hai apenas sete inspectoras e inspectores para supervisar todas as residencias". Con este dato, é o segundo territorio do Estado coa peor ratio de inspectores en relación ás prazas dispoñíbeis nos centros públicos e privados, só por diante de Estremadura. Rico tamén apunta ás escasas sancións impostas, e pon como exemplo a multinacional DomusVi: "Ten pagado perto de 22.000 euros en multas, mentres en 2019 facturou arredor de 600 millóns de euros en todo o Estado". Así mesmo, Paulino Campos, presidente da Federación REDE, convidou a exercer un xornalismo "rigoroso, bo e transparente" para denunciar que "nas residencias se teñen pisoteado e vulnerado os dereitos das persoas residentes". Finalmente, Sonia Jalda, do colectivo de Traballadoras de Residencias da Galiza (Trega), denunciou a "ratio de persoal insuficiente" e a demora na diagnose da dependencia. "A falta de persoal sanitario e de material e a escasa formación das e dos traballadores son as principais eivas, e a Xunta é coñecedora desta situación", asegura.
NOS_57505
A plataforma Casalonga Limpa de Residuos acusa o Goberno da Xunta de esperar ao mes de agosto para "traizoar" a veciñanza e "marchar de vacacións" tras aprobar un plan de restauración "cheo de irregularidades, vaguedades e inconcrecións" que abre a porta a que a empresa o modifique no futuro para empregar a canteira como vertedorio.
A Xunta da Galiza vén de aprobar a resolución de autorización do Plan de restauración da concesión da explotación de Casalonga e a resolución pola que se declara a necesidade de ocupación dun ben necesario para os traballos desta explotación mineira, unha pista municipal que cruza o espazo da canteira e contra cuxa apropiación xa se mobilizou a cidadanía o pasado mes de xuño. Esta segunda feira o Boletín Oficial da Coruña publica o anuncio da expropiación. Tras advertir esta última notificación, o COncello de Teo avanza que levará ao xulgado as últimas decisións da Xunta unha vez revisada toda a documentación dispoñíbel. Desde o Goberno municipal entenden que a Xunta volve actuar de novo en favor dos intereseses empresariais cunha folla de ruta e tempos marcados, tentando menospreciar as partes implicadas neste procedemento, a Administración local e a veciñanza. "Xa sorprende pouco e só nos reafirma na necesidade de mantérmonos firmes na loita contra os atropelos", asegura nun comunicado. Así, desde o Concello confirman que defenderán a titularidade da vía que a Xunta quere expropiar "para facilitarlle as cousas a Toysal" ademais de recorrer a aprobación dun Plan de restauración que carece das mínimas garantías dunha tramitación administrativa axeitada. Irregularidades A este respecto, a plataforma veciñal Casalonga Limpa de Residuos censurou a iniciativa da Xunta en pleno mes de agosto mais a vontade da Administración galega de "axudar" a empresa concesionaria da mina dando por bo un "plan cheo de irregularidades", que cualifica de viábel "restaurar un oco mineiro gastando 25 céntimos por metro cadrado, incluíndo o remodelado de noiros, a necesidade de traer terra do exterior, o acopio e sementeira de terra existente durante 30 anos, a eliminación de pistas e a plantación de arboreda". O plan, sinala a veciñanza, obvia a existencia da lagoa e do ecosistema estabelecido na contorna de Casalonga. Acusa a Toysal de deixar fóra as zonas que non lle interesan e a Xunta de habilitar a empresa a baleirala sen "un plan de contención e protección das especies existentes, matando de inmediato miles de peixes, anfibios e aves" que habitan no lugar. Unha "catástrofe ecolóxica", anuncia froito dun plan de restauración sen declaración de impacto ambiental que xustifique cada intervención, engade o Concello, algo do que "a empresa escapa", recalca. Sobre a pretensión da Xunta de "converter" a vía municipal nun camiño privado que agora busca expropiar en favor de Toysal, o Concello de Teo advirte da "intención de facilitar que a empresa poida actuar con máis impunidade". Impedir a expropiación do camiño municipal "O feito de que exista un viario municipal nesa zona en ningún caso impide a actividade mineira mais o feito de tentar eliminalo facilita que a actividade que se vai realizar alí teña menos control externo", comenta, por iso vai seguir defendendo o carácter que se lle outorgou a ese camiño a través da concentración parcelaria, sobre o que, como titular, estivo realizando traballos de mantemento. Concello e veciñanza coinciden na vontade acudir aos xulgados co fin de paralizar a expropiación da vía municipal mais de deter calquera esforzo da empresa por maltratar a canteira.
PRAZA_10488
Ademais, un terzo do territorio soportou no 2018 unha contaminación do aire que prexudica a vexetación, segundo o informe anual publicado esta semana por Ecoloxistas en Acción, que insta a pechar as centrais térmicas de carbón e a "diminuír o tráfico motorizado, potenciando o transporte público, a bicicleta e o tránsito peonil"
Ecoloxistas en Acción publicou esta semana o informe La calidad del aire en el Estado español durante 2018, que analiza a información recollida durante o pasado ano por 54 estacións oficiais de medición instaladas en Galicia. O informe conclúe que toda a poboación galega respirou aire contaminado en 2018, con niveis de contaminación que superan as recomendacións da Organización Mundial da Saúde. Ademais, un terzo do territorio de Galicia soportou unha contaminación do aire que prexudica a vexetación. Un terzo do territorio de Galicia soportou unha contaminación do aire que prexudica a vexetaciónA organización explica que se se toman como referencia os estándares da normativa legal, máis laxos que as recomendacións da OMS, non habería poboación que respira aire contaminado por riba dos límites legais, aínda que estes si se superaron na estación do porto da Coruña, en relación ao contaminante dióxido de nitróxeno (NO2). Ecoloxistas en Acción alerta de que as partículas (PM10e PM2,5) continúan a presentar unha especial incidencia nas áreas metropolitanas da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo, onde se superaron os valores medios anuais e/ou diarios recomendados pola OMS para ambos os dous contaminantes. De igual xeito, durante 2018 volveuse superar a concentración media diaria de dióxido de xofre (SO2) recomendada pola OMS nas zonas máis influenciadas polas emisións deste contaminante debidas á área industrial e portuaria de Arteixo-A Coruña, a Cementos Cosmos (Oural, Sarria) e a Alcoa San Cibrao.Ecoloxistas en Acción alerta de que as partículas (PM10e PM2,5) continúan a presentar unha especial incidencia nas áreas metropolitanas da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e VigoO ozono troposférico ou malo tamén afectou a poboación galega, aínda que o clima de Galicia é menos favorable á formación deste contaminante que o da maior parte do resto da Península Ibérica. Durante 2018 a poboación das áreas metropolitanas da Coruña, Ferrol, Santiago e Vigo, así como as zonas Sur e Norte en que se divide Galicia a efectos da avaliación deste contaminante, estiveron expostas a concentracións de ozono perigosas para a saúde segundo a OMS.Na Coruña foi acadado por segundo ano consecutivo o obxectivo legal anual establecido para o benzo(a)pireno, un hidrocarburo aromático policíclico (HAP). Na estación de Riazor rexistrouse o segundo valor máis alto de todo o Estado español para este contaminante canceríxeno. A organización afirma que "semella probábel que este valor tan alto se relacione coas importantes emisións de HAPs totais de Alcoa A Coruña e Showa Denko Carbon". O informe recolle tamén que a das Pontes volveu ser o pasado ano unha das centrais térmicas máis contaminantes en todo o Estado"A única forma de conseguirmos unha boa calidade do aire nas cidades é diminuír o tráfico motorizado, potenciando o transporte público, a bicicleta e o tránsito peonil"Ecoloxistas en Acción conclúe que "a contaminación do aire debería abordarse como un problema de primeira orde". "Deberíase procurar unha calidade do aire, cando menos, acorde cos estándares recomendados pola OMS, máis estritos que os legais vixentes hoxe", di, lembrando que "cada ano rexístranse ata 30.000 mortes prematuras en España por afeccións derivadas da polución do aire, segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente".A organización subliña que "a única forma de conseguirmos unha boa calidade do aire nas cidades é diminuír o tráfico motorizado, potenciando o transporte público, a bicicleta e o tránsito peonil". Suxire igualmente "promover o aforro enerxético, pechar as centrais de carbón (a de Meirama farao en 2020, pero non hai calendario de peche para a das Pontes), adoptar as mellores técnicas industriais dispoñíbeis e penalizar o combustíbel e vehículos diésel"
PRAZA_193
A conselleira de Sanidade asume que "houbo un problema" polo repunte da gripe no Nadal, datas nas que asegura que se habilitaron 341 camas e se derivaron 344 doentes á privada. A oposición atribúe o caos aos recortes e insiste en pedir a súa dimisión.
"Queremos solucións posibles, eficaces e axiña e a primeira solución é que marche". "Só lle queda unha saída, señora conselleira, que dimita e marche". "A sanidade privada goza de boa saúde e a pública está na UCI". Son tres das frases que lle espetaron, respectivamente, as voceiras parlamentarias no ámbito sanitario de PSdeG, AGE e BNG á titular dese departamento no Goberno galego, Rocío Mosquera, tras a comparecencia desta na Cámara tras o colapso rexistrado nas Urxencias de varios hospitais galegos nos últimos meses e logo de comunicar por sorpresa o pasado luns a súa intervención de hoxe. Mosquera aludiu aos "moitos casos de gripe en pouco tempo" para xustificar os colapsos en Urxencias Logo dun resumo técnico e baseado en números sobre a situación das Urxencias nos hospitais galegos, a conselleira Mosquera volveu culpar o repunte da gripe como causa do importante colapso das últimas semanas. "Moitos casos de gripe en moi pouco tempo" resumiu, ademais de volver lembrar que foi moita a xente que en risco non acudiu a se vacinar. Así, a titular de Sanidade defendeu que o Sergas ofrece "unha resposta de calidade a todos os pacientes", malia admitir que esa vaga dos primeiros días da gripe no Nadal si provocou algún problema de asistencia. O Sergas derivou 344 pacientes á privada e habilitou 341 camas durante o Nadal pola gripe Segundo dixo, o Sergas habilitou 769 camas adicionais, levou a cabo 931 contratos ou reforzos e realizou 348 derivacións a centros concertados nas catro semanas de pico da gripe. A conselleira aclarou que só entre o 22 de decembro e o 8 de xaneiro, as cifras situáronse en 341 camas habilitadas, 344 derivacións e 278 contratos. Ademais, asegurou que a situación se fixo máis grave por afectar esta gripe aos sectores máis vulnerables (maiores e enfermos crónicos). "Houbo un problema coa gripe, non o vou negar", recoñeceu. Asumiu que "a atención destas semanas non é a que podemos e debemos dar aos nosos pacientes" e adiantou que a Consellería levará a cabo medidas preventivas, como a de intentar mellorar a taxa de vacinación. "O 60% dos ingresados por gripe non estaban vacinados", dixo. Pero á oposición non lle pareceu dabondo. Nin moito menos. Na súa resposta ás palabras de Mosquera no pleno, todos os grupos coincidiron en volver pedir a súa destitución ou dimisión do cargo ante "o colapso da sanidade galega" para o que pediron "solucións". Así o dixo xa Carmen Acuña, portavoz do PSdeG, que reiterou que a primeira medida "urxente" das requiridas debería "a despedida" de Rocío Mosquera. "Marche porque o seu propio presidente, os profesionais e os cidadáns reproban a súa xestión", di o PSdeG a conselleira "Estamos nunha situación sen precedentes, pídolle que marche porque o seu propio presidente, os profesionais e os cidadáns reproban a súa xestión", dixo a deputada socialista, que cre que a gripe deste inverno o único que fixo foi "poñer de manifesto que a xestión é un desastre, froito de sucesivos recortes, copagos e privatizacións, un caos que só superamos grazas ao esforzo dos traballadores". "O PP leva seis anos desmantelando e utilizando en beneficio propio o sistema sanitario público de Galicia", insistiu, tras lembrarlle a Mosquera que "hai unha folga no Meixoeiro, o Chuac está na Fiscalía, en Ourense van de denuncia en denuncia e en Ferrol hai doentes que estiveron 36 horas sen comer en Urxencias". En termos semellantes se mostrou tamén a voceira de AGE, Eva Solla, que criticou tamén que non fose o presidente Feijóo quen dese conta da situación límite que vive a sanidade. "Vostede non é o presidente do persoal sanitario nin dos que agardan dez horas en urxencias febrís, doridos, impacientes, nin das que saben que a vida das persoas depende dos recursos que o seu Goberno destrúe. E non o é porque hoxe considerou que un asunto tan prioritario como a sanidade non o era", manifestou, tras destacar o seu grupo que mesmo a conselleira comezou a súa intervención "sen ningún membro do Goberno presente no hemiciclo". "Bótalle a culpa á gripe, pero a realidade é que nos quitaron un de cada cinco euros que achegabamos á Sanidade", di AGE Desde Alternativa, e tras a comparecencia da conselleira, acusárona de "manipular os datos na xerga tecnocrática" para evitar clarexar as consecuencias da súa acción de goberno. Eva Solla, pola contra, achegou outros para asegurar que "en termos nominais, hai 374 millóns menos" dende que chegou ao Executivo. Un 10% menos. "Bótalle a culpa á gripe e aos enfermos por non se vacinar, pero resulta que a realidade é que nos quitaron un de cada cinco euros dos que achegabamos para que nos coiden a saúde e nos curen", recordou, tras adverir da ausencia de material, padiolas ou mesmo mantas. Ademais, Solla preguntou a Mosquera "por que segue a haber traslado á privada de pacientes dos hospitais públicos; por que seguen sen estabelecer quendas de tarde en consultas e quirófanos malia que o aprobou o Parlamento ou por que non reforzan o persoal cando os servizos están colapsados". E rematou volvendo reclamar a súa dimisión. "As súas políticas sanitarias levan ao desmantelamento da sanidade pública e aos doentes á desesperación", asegurou o BNG Desde o Bloque, a voceira en Sanidade, Montse Prado, acusou a conselleira de volver "minimizar o colapso sanitario" rexistrado nos hospitais galegos e advertiu que o PP "xoga con lume", xa que as súas políticas sanitarias "levan ao desmantelamento da sanidade pública e aos doentes á desesperación". Ademais, lembrou como Rocío Mosquera pasou de minimizar a situación a culpabilizar os enermos para logo, xunto con Feijóo, amosar "unhas mornas desculpas" e reducir o asunto a unha cuestión de confort para seguir culpabilizando a cidadanía de non vacinarse. A deputada do BNG tamén aludiu na súa intervención ao informe da Defensora del Pueblo, Soledad Becerril que representa, na súa opinión, unha "labazada" ás políticas sanitarias do PP. O documento, dixo, confirma que os cadros de persoal non están sobredimensionadas e que os profesionais "cada vez contan con menos orzamento e medios". "Teñen vostedes a todo o mundo en contra, folgas nos centros sanitarios, cartas ao presidente da Xunta, reclamacións dos profesionais e sindicatos... Seguen exercendo de verdugos da sanidade pública", insistiu, tras lamentar que a xestión sanitaria do Goberno galego condene as persoas sen recursos a non poder curarse mentres os que si os teñen podan acceder á sanidade privada. En canto ao grupo mixto, Carmen Iglesias fixo repaso tamén das múltiples deficiencias do sistema sanitario público galego e coincidiu en que á conselleira "non lle queda máis que dimitir", mentres que Consuelo Martínez (Cerna) chegou incluso a responsabilizar a Consellería do falecemento dun doente afectado por hepatite C. Hepatite C Precisamente, a situación dos afectados por esta grave doenza e pendentes dunha solución que non dá chegado do Goberno foi outro dos temas máis aludidos no pleno. A conselleira asegurou que "Galicia traballa co Ministerio de Sanidade para garantir o acceso aos medicamentos en termos de equidade" e insistiu en que o Sergas "está garantindo que os pacientes que cumpren as condicións reciben eses fármacos". Toda a oposición pediu á Xunta "menos palabrería" e solucións para os afectados pola hepatite C Pero a socialista Carmen Acuña dixo que "xa está ben de presumir" "O que teñen que dicir, por exemplo, é cando os enfermos de hepatite C terán á súa disposición os fármacos; menos palabrería e máis medidas neste caso e para o colapso da sanidade galega", asegurou, mentres que Eva Solla, de AGE, denunciou "a conivencia" entre a Xunta de Núñez Feijóo e a industria farmacéutica para "deixar milleiros de doentes de hepatite C sen a medicación que a pode curar". "Continúan sen ter a medicación dispoñíbel para a clase traballadora", afirmou, "porque as persoas ás que llelo prescriban deben pagar 60.000 euros e o groso da poboación non ten eses fondos. A especulación farmacéutica levounos a este punto". A deputada acusou a Mosquera de "ser brazo de madeira das privatizacións" e tamén explicou no Parlamento galego as conexións da empresa fabricante do medicamento que cura esta enfermidade coa extrema dereita estadounidense. A deputada do BNG Montse Prado foi tamén moi dura e asegurou que os doentes de hepatite C "están de loito porque onte morreu unha persoa afectada que levaba un ano agardando a ser tratada cunha medicación que vostedes están a negar". "Os responsábeis desta morte, son as súas políticas señora Mosquera", díxolle á conselleira. "Salve a vidas destas persoas e non veña ao Parlamento con outra manobra de distracción" Ademais, a parlamentaria censurou que o PP rescate a banca mentres abandona aos afectados por hepatite C por "priorizar a cuestión económica por riba da saúde". "Salve a vidas destas persoas e non veña ao Parlamento con outra manobra de distracción. Estamos a finais de xaneiro e os doentes de hepatite C seguen sen a medicación que precisan e a maiores, á fronte da Comisión de expertos colocan vostede a unha persoa vencellada a unha farmacéutica... Demasiadas mentiras e falsidades", rematou.
NOS_45957
No marco da greve dos traballadores e traballadoras do sector
O persoal de ambulanicas mantén a loita por un convenio digno. Esta quinta, traballadores e traballadoras pecháronse de maneira simultánea nas xerencias dos hospitais da Coruña, Compostela, Vigo, Pontevedra, Ferrol e Lugo e nas dependencias da Consellaría de Sanidade de Ourense para esixir avances reais na negociación do convenio colectivo. Unha mobilización que se leva a cabo no marco da terceira quenda da folga convocada neste sector, no que traballan por volta de 1.500 persoas. A partir do día 20, a greve será indefinida. Como teñen denunciado os sindicatos unha e outra vez, a orixe do conflito foi un concurso dotado á baixa pola propia consellaría de Sanidade, no que se levaron a concesión empresas-fondos de investimento, como Ambuibérica, que presentaron propostas aínda máis á baixa que inviabilizaban manter o servizo e pagar ao persoal. Desde aquela sucedéronse os intentos de descolgue do convenio, de rebaixas salariais, un progresivo deterioro tanto das condicións laborais como dos propios vehículos, ademais de incumprimentos dos compromisos recollidos nas plicas do concurso. Isto, xunto coa reiterada negativa a negociar un novo convenio que deixou os salarios do persoal conxelados desde o ano 2015. As negociacións entre patronal e sindicatos rexistraron pequenos avanzos que as centrais entenden insuficientes, de aí quer manteñan a greve.
NOS_42992
A colección Árbore de Galaxia vén de engrosar o seu catálogo co título Nomes, un poemario para persoas "de 10 anos a infinitos", da autoría de Xoán Carlos Domínguez Alberte. A obra conxuga o verso coa riqueza toponímica galega e mais con constantes referencias ao mundo da natureza que "reivindican" o mundo rural. Nós Diario conversa co seu colaborador, licenciado en filoloxías Hispánica e Galega e profesor de Ensino Secundario.
-Como nace este poemario e a súa conxunción entre poesía, nomes e natureza? No seu día, no primeiro libro que publiquei en Galaxia, Versos para conversar, por razóns editoriais quedaron fóra unha serie de poemas; logo saíu Soneto no alfabeto, outra dimensión da concepción poética e, entrementres, eses poemas que ficaran aí tamén reclamaron a súa propia vida, e mais compaña. Estas composicións constitúen a primeira parte, "Lugares", deste novo libro, Nomes, e incorporáronse máis poesías para complementar a obra que se foi facendo con vagar ao longo do tempo. No volume hai unha proposta de reivindicación, de dar a coñecer a nosa vida, as nosas palabras e os nosos nomes, os nosos topónimos, ese pequeno e gran patrimonio. O primeiro poema di "son dun país pequeno cheo de nomes grandes // son dun país grande cheo de nomes pequenos". Estamos inzados de riqueza toponímica e reivindícase a súa prestancia, o seu uso e a súa habilitación, porque moitos deses nomes son de raíz rural, agrogandeira, e agora están cubertos de esquecemento porque, entre outras razóns, debido a malas políticas non temos o noso sector produtivo desenvolvido, e o poemario é tamén unha forma de denuncialo. -Entón a presenza da natureza non é só por tratar a toponimia senón tamén como reivindicación. Enxergo os contidos do libro desde unha perspectiva lúdica, creativa e pensando na xente máis nova, para que coñezan os nomes e xoguen con eles e neles, pero detrás diso tamén hai unha mensaxe máis profunda, que é esa reivindicación dun país vivo, produtivo e dono dos seus recursos. -Como docente, a intención didáctica abrangue tamén os seus libros ou fica fóra? Procuro que o meu alumnado se achegue á literatura galega e en galego e fomento a lectura na nosa lingua, para que a rapazada adquira principios e valores universais, sexa no ámbito que sexa. Todos os cursos, sobre todo en niveis medios e altos, propoño unha lectura de narrativa que teña como fondo unha historia arredor do que foi a represión franquista e o golpe de Estado, a través diso estaslles a dar a coñecer unhas realidades que para eles están sempre ocultas, e neses universos creativos agroma a liberdade. Así tamén detrás da poesía hai outras leccións. A finalidade pedagóxica supoño que está sempre na literatura. -O público máis novo é tamén máis exixente? Está claro que o noso labor é complexo desde moitos ángulos. Unha realidade que eu aprecio acotío é que, en gran medida, o alumnado chega a secundaria carente de hábito lector, que para min é algo fundamental na existencia. Así, o noso labor formativo, alén de transmitir contido e valores, ten unha dimensión prioritaria, para min, que é contribuír a crear novo lectorado. Nese sentido hai que ser coidadoso e mais aventureiro á hora de encamiñalos e facerlles propostas de lectura, tanto de diversos xéneros como de contidos. -Cales son os novos proxectos nos que está a traballar? Ando a voltas co patrimonio. Son dunha comarca moi rica como é Terra de Celanova e teño unha vella teima, que é a de facer unha escolma de textos e autores do patrimonio celanovés. Teño medio durmido un ensaio sobre unha persoa de base que viviu a Guerra Civil desde a conciencia de aliñarse no bando leal á República e tamén ando con proxectos poéticos. Un deles é a medias cun compañeiro fotógrafo, na liña da dobre visión do proxecto creativo que fixera con Mercedes Queixas, Partituras.
PRAZA_9359
Nun ton xa electoral Sánchez xustifica que tiña ante si "dúas opcións": "Continuar cuns orzamentos que non son os nosos e incumpren as esixencias sociais" ou "avanzar" cuns comicios. A campaña comeza o 12 de abril e a súa primeira semana completa cadra coa Semana Santa
28 de abril. É a aposta de Pedro Sánchez para chamar ás urnas e tentar alargar a representación do PSOE no Congreso, volver ser elixido presidente do Goberno de España por unha "nova maioría parlamentaria" e exercer como tal unha lexislatura completa. Así o anunciou o líder socialista este venres nunha longa "declaración institucional" con límite de preguntas no Palacio de La Moncloa tras presidir un Consello de Ministros extraordinario, monográfico sobre a data electoral, antes da xuntanza ordinaria do máximo órgano gobernamental español.Nun ton xa electoral Sánchez xustifica que tiña ante si "dúas opcións": "Continuar cuns orzamentos que non son os nosos e incumpren as esixencias sociais" ou "avanzar" cunha convocatoria electoralHabía "dúas opcións": "Non facer nada e continuar" cuns "orzamentos que non son os nosos e que incumpren as esixencias sociais que precisa o noso país" ou "crer que España non ten nin un minuto que perder porque precisa avanzar", xustificou Sánchez antes de anunciar a data cun ton abertamente electoral e de balance dos seus nove meses no poder. Entre referencias á manifestación na que as formacións da dereita esixiron a súa saída inmediata da presidencia, Sánchez esgrimiu a "lexitimidade democrática" do Executivo emanado da moción de censura que, substituíu a outro, o do PP, "asediado pola corrupción".O líder socialista esgrime medidas como a suba do salario mínimo e lamenta o "bloqueado", dos orzamentos á lei de eutanasia ou "a derrogación da lei mordaza"Sánchez esgrime o impulso de "máis de 25 decretos lei" e "o desbloqueo de 13 leis" nestes meses para exemplificar os resultados "positivos" do seu Goberno en materias como a loita contra a "desigualdade social e de xénero", caso da suba do salario mínimo interprofesional a 900 euros. Non obstante, reprochou, entre "o bloqueado, o paralizado por unha oposición que utilizou as institucións con intereses partidarios e non atendeu a razóns" quedaron as contas públicas, pero tamén medidas como "a lei de eutanasia, a derrogación da lei mordaza e da reforma laboral".Esta decisión implica que as Cortes Xerais da duodécima lexislatura estatal será disoltas por decreto o 5 de abril. A campaña electoral das eleccións xerais ao Congreso e ao Senado comezará o día 12 dese mes e a súa primeira semana completa cadrará coa Semana Santa. Menos de dúas semanas despois, o 10 de maio, botarán a andar outras dúas campañas electorais simultáneas: as das municipais e europeas do 26 de maio, que en 13 comunidades -non é o caso de Galicia- son tamén autonómicas.O contexto galegoA derrota parlamentaria no debate das emendas á totalidade precipitou a concreción dun calendario das eleccións xerais que foi a gran incógnita dende a chegada de Sánchez á presidencia tras a moción de censura que derrubou o gabinete do PP de Mariano Rajoy. Esa "rede de corrupción" estivo tamén presente na comparecencia de Sánchez deste venres. A caída do feudo do PSOE en Andalucía co ascenso da extrema dereita, o xuízo aos líderes soberanistas cataláns, a crise dentro das propias filas socialistas polo anuncio da figura do "relator" para negociar coas forzas catalás e a saída á rúa do PP de Casado xunto a Ciudadanos e Vox foron outras das pezas que precipitaron a decisión.No caso de Galicia o 28A abre unha intensísima xeira electoral que non se pechará, a priori, ata as eleccións galegas de 2020No caso de Galicia ábrese unha intensísima xeira electoral que non se pechará en principio ata 2020, coas eleccións galegas, e que está chamado a certificar o peche ou a continuación do ciclo político aberto entre 2014 e 2015. Para dilucidalo será clave o resultado das municipais do 26 de maio.Pola banda esquerda o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, afirmaba xa este xoves que a súa formación estaba "preparada" para afrontar unhas xerais tanto se eran inmediatas como se a lexislatura se prolongaba e o BNG, pola súa banda, asegurou ler uns novos comicios ás Cortes como a oportunidade de recuperar a representación perdida en 2015.Máis complexo é o panorama no seo de En Marea. A votación das emendas á totalidade das contas de Sánchez fixo abrollar a forte tensión interna da confluencia, a cal derivará con toda probabilidade na imposibilidade de reeditar unha candidatura unitaria para os comicios anunciados este venres. Pola banda do PPdeG o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aproveitaba este xoves a presenza de Pablo Casado en Galicia para mergullarse de cheo no ton electoral, axitando a necesidade de apoiar ao seu líder nas urnas porque "os votos que non vaian ao PP serán aliados dos socialistas e dos nacionalistas". No seu caso a gran cuestión é se a suma no Congreso dos votos do PP cos de Albert Rivera e os que poida lograr o partido de extrema dereita Vox será ou non quen de sumar maioría para formar goberno.
PRAZA_8103
Intúo que Marta Rivera de la Cruz nin sequera é consciente da falsidade das súas declaracións públicas, da irresponsabilidade en que está a caer cando opina desde a máis absoluta ignorancia sobre a situación do galego e do castelán na Galiza. Quero crer que, de coñecer algo máis a realidade que está a falsear, o seu xuízo non sería o mesmo, a non ser que no seu ánimo prevalecese a cobiza particular sobre os valores culturais dunha parte do pobo ao que dalgún modo difuso pertence
Que o inventor do sistema de coordenadas cartesiano teña sido a mesma persoa que afirmou que a alma se sitúa na glándula pineal, resulta chocante. Descartes estivo tan atinado nun aspecto como para influír poderosamente no desenvolvemento do cálculo moderno, como desatinado noutro. "Somos así de limitados" díxome Antonio Escohotado nunha ocasión. Ignorantes cando menos parécenme as persoas que denuncian opresión do galego sobre o castelán sen querer decatarse de que todas as linguas son igualmente importantes e deben gozar dos mesmos dereitos É fácil solidarizarse coa situación das linguas mapuches desde Galiza porque América fica lonxe, non se esixe argumentación a unha obviedade e, sobre todo, non xera confronto cunha parte do contorno social máis próximo, porque a súa defensa non redunda nunha perda de privilexios; simplemente hai algunhas persoas que denuncian a situación destas linguas minorizadas e unha maioría indiferente. Ignorantes cando menos parécenme as persoas que denuncian opresión do galego sobre o castelán sen querer decatarse de que todas as linguas son igualmente importantes e deben gozar dos mesmos dereitos; parece mentira que teñamos que seguirlles lembrando este punto a estas alturas. Moitas destas persoas que agora protestan acostumaban declararse indiferentes cara ao galego até que sentiron que perdían algo. Eu non podo escolarizar os meus fillos en galego, os escasos medios de comunicación na miña lingua resisten a base do esforzo heroico dalgunhas persoas. A maioría dos médicos non falan a miña lingua, nin os notarios, nin os xuíces, nin a policía, nin o persoal dos bancos. Tampouco podo ir ao cinema en galego, nin sempre obter impresos oficiais se os demando na miña lingua. Cando quixen crear unha sociedade, a súa constitución demorou máis días do normal por requirirmos a escritura en galego, e periodicamente hei de escoitar a aparente pregunta sobre por que falo galego se en castelán nos entendemos todos sen problema. E aínda queren facerme crer que hai persoas infravaloradas ou limitadas nas súas liberdades por expresarse en castelán na Galiza? Até onde eu sei no noso país non existe tecido cultural en castelán, precisamente porque os seus potenciais axentes sempre tiveron os ollos postos en Madrid Até onde eu sei no noso país non existe tecido cultural en castelán, precisamente porque os seus potenciais axentes sempre tiveron os ollos postos en Madrid; acceden a premios, axudas e a unha rede española con base na capital que, para os que facemos cultura en galego, nunca estivo aberta, ben polas limitacións formais de boa parte das convocatorias públicas e privadas, ben porque aínda sen estas existiren, na práctica Madrid sempre estivo de costas viradas para as culturas chamadas periféricas ou de provincias. Intúo que Marta Rivera de la Cruz nin sequera é consciente da falsidade das súas declaracións públicas, da irresponsabilidade en que está a caer cando opina desde a máis absoluta ignorancia sobre a situación do galego e do castelán na Galiza Intúo que Marta Rivera de la Cruz nin sequera é consciente da falsidade das súas declaracións públicas, da irresponsabilidade en que está a caer cando opina desde a máis absoluta ignorancia sobre a situación do galego e do castelán na Galiza. Quero crer que, de coñecer algo máis a realidade que está a falsear, o seu xuízo non sería o mesmo, a non ser que no seu ánimo prevalecese a cobiza particular sobre os valores culturais dunha parte do pobo ao que dalgún modo difuso pertence. Que valor ten unha declararse demócrata cando antepón filias e fobias persoais ao ben común e aproveita altofalantes para dar opinións sectarias por verdades absolutas? A escolla de Marta Rivera de la Cruz por parte da Xunta para homenaxear a Rosalía, así como, xa de paso, o nomeamento de Sutil como novo director do AGADIC, paréceme unha ofensa feroz á cultura galega, unha estratexia violentísima en favor da ruptura social na Galiza e un paso previo cara ao ermo cultural máis absoluto que o PP está a construír tanto en Galiza como en España.
NOS_12321
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, chama á Xunta e ao goberno do Estado -en mans do PP- a que se movan para evitar unha eventual decisión do comisario da Competencia, Joaquín Almunia, en relación ao tax lease que sexa contraria aos intereses do naval de Vigo.
Atacar a Almunia, como único responsábel das desventuras do naval galego, é xa todo un clásico desde as fileiras do PP. Agora súmase a esta liña discursiva o alcalde de Vigo, compañeiro de partido do comisario da Competencia. Nunha entrevista nas emisoras galegas da SER, o alcalde de Vigo alertou contra a hipótese de que Almunia poda vir a dar o "golpe de graza" contra o naval vigués, ao adoptar unha resolución sobre o tax lease que impida aos esteleiros da cidade olívica teren opcións de competir en pé de igualdade con factorías ubicadas noutros Estados europeus. Caballero demanda que os gobernos galego e estatal compoñan unha "frente común" para disuadir a Almunia de que adopte determinacións que resulten contrarias aos intereses do naval vigués. O alcalde de Vigo manifestou que Almunia coñece a súa posición a respeito deste asunto.
PRAZA_19515
ENTREVISTA A avogada Teresa Burgo falará este sábado en Mondoñedo da problemática das baixas médicas e do recoñecemento das doenzas profesionais nas xornadas Labregas por un trato digno na enfermidade e na vellez, organizadas polo SLG
As xornadas Labregas por un trato digno na enfermidade e na vellez, que o SLG organiza esta fin de semana en Mondoñedo dedican unha parte importante da súa programación a analizar a problemática das baixas laborais e as doenzas profesionais para as mulleres labregas. A avogada Teresa Burgo tratará este tema nunha mesa redonda que compartirá con Beatriz Figueroa (avogada, xornalista e activista polos dereitos d@s enferm@s con cancro) e Victoria Portas (especialista en Seguridade Social, activista feminista e portavoz do Movemento Galego en Defensa das Pensións, Modepen), con quen onte falamos en Praza. Ademais, varias mulleres labregas contarán a súa situación ante casos de incapacidade laboral. A saúde e o benestar das traballadoras, durante a súa vida laboral e no momento da súa xubilación centrarán pois os contidos das xornadas. Unha escolla que segundo as responsables do sindicato responde ao feito de que "é moi habitual que haxa problemas á hora de que a unha labrega se lle recoñeza unha incapacidade laboral". "Sucede que ao contrario doutras profesións, en agricultura e gandería non están recoñecidas as enfermidades propias. Por iso, decotío, cando reclamamos algún tipo de incapacidade se nos di que podemos seguir desempeñando o noso traballo", sinalou María Ferreiro Santos -responsable da Secretaría das Mulleres- na presentación das xornadas. Pola súa banda, Isabel Vilalba -secretaria xeral do SLG- denunciou o "total desprezo pola actividade profesional das mulleres agricultoras, dende o ámbito sanitario ao xudicial. Semella que para exercer de labrega non precisas ter competencias nin gozar de boa saúde". Falamos con Teresa Burgo sobre estas cuestións. "As mutuas en ocasións teñen unhas prácticas un pouco abusivas. E, neses casos, a xente non sabe moi ben que debe facer ou como pode evitalo" Que problemas se producen á hora de solicitar unha baixa laboral? As mutuas en ocasións teñen unhas prácticas un pouco abusivas. E, neses casos, a xente non sabe moi ben que debe facer ou como pode evitalo. Ti chegas a unha mutua, dicindo que acabas de ter un accidente laboral, ou cunha patoloxía que pode ter a consideración de enfermidade profesional porque ten a súa orixe ou a súa causa no traballo que desenvolves, neste caso como labrega. E sucede que a mutua tenta negar a validez da continxencia profesional e derivarte ao SERGAS. Nas xornadas voulle explicar á xente cales son os trámites que ten que facer para evitar esa actuación da mutua. "Moitas veces cando nos pasa algo e imos a urxencias ou imos ao médico, o que dicimos alí inflúe de forma totalmente determinante no resultado final destes procesos" Sucede o mesmo co recoñecemento das enfermidades profesionais? Si, en ocasións ti tes previamente unha enfermidade ou unha lesión, pero agrávase ou chega ao seu punto máximo cando realizas a túa actividade profesional. Neses casos as mutuas adoitan denegar o carácter de continxencia profesional para evitar os pagamentos. Que recomendación lles farías ás traballadoras e traballadores? Moitas veces cando nos pasa algo e imos a urxencias ou imos ao médico, o que dicimos alí inflúe de forma totalmente determinante no resultado final destes procesos. Ti imaxina que unha persoa ten un accidente traballando na súa explotación, sofre unha caída ou un golpe e faise dano. Vai a urxencias, porque o primeiro é pensar na saúde, neses momentos non pensas en ir ou non á mutua. O que esa persoa ou os seus familiares lle digan ao médico neses momentos é fundamental, porque se o informe recolle "caída casual" ou o propio persoal sanitario chega a esa conclusión e así o fai constar por escrito, iso marca todo o procedemento e é difícil de corrixir despois. Hai que deixar moi claro que ese accidente tivo lugar durante a actividade laboral e no lugar de traballo. "Cando chegas a unha mutua e non te atenden, é fundamental facer alí mesmo unha protesta formal, esixindo a folla de reclamacións" E á hora de reclamarlle á mutua? Cando ti chegas a unha mutua e non te atenden, cando te envían directamente ao médico do Sergas, ou te tratan mal, neses casos é fundamental facer alí mesmo unha protesta formal, esixindo a folla de reclamacións. É importante facer constar que tal día e a tal hora se estivo alí, no centro de atención asistencial da propia mutua. Moita xente queixámonos de boquilla, non deixamos constancia por escrito e o que non consta por escrito, non existe. Por iso é importante. Que papel xoga a Administración? Non atopamos moita axuda por parte da Administración. O INSS adoita darlle moito a razón ás mutuas, é moi conivente con elas cando denegan o pagamento de continxencias profesionais. "O INSS adoita darlle moito a razón ás mutuas, é moi conivente con elas cando denegan o pagamento de continxencias profesionais" Adoitan ser moi longos e complexos os procesos de solicitude e reclamación? O procedemento das baixas médicas, para que se recoñezan como baixas por accidente de traballo, foi modificado recentemente e agora afortunadamente son procesos curtos. Ti fas unha solicitude e en 11 días ten que estar o tema resolto pola vía administrativa, o prazo para poñer a demanda é de 20 días e no xulgado ten tamén carácter de procedemento urxente e a sentenza chega nun mes. Antes si que era un proceso máis longo. Outro caso é o tema das incapacidades, que no caso de ser denegada tes que iniciar un proceso xudicial que xa non ten esa consideración de procedemento urxente e tal como están agora os xulgados pois podes ter o xuízo a dous anos vista. Iso provoca unha grande indefensión, porque ti mentres tes que seguir traballando, esteas como esteas. "O procedemento das baixas médicas, para que se recoñezan como baixas por accidente de traballo, foi modificado recentemente e agora afortunadamente son procesos curtos. Distinto é o tema das incapacidades" Hai diferenzas importantes entre homes e mulleres? Unha cuestión importante é a determinación do risco durante o embarazo e a lactancia. Nestes casos as mutuas tamén son moi remisas a recoñecer estas situacións. Porén, en realidade non hai moita diferenza entre mulleres e homes e tampouco entre traballadoras de réxime xeral ou autónomas. Todas e todos sofren problemáticas semellantes. As diferenzas no agro chegan sobre todo porque normalmente as mulleres cotizan poucos anos ou directamente non cotizan, a pesar de traballar nas explotacións igual que os homes. Iso fai que en moitos casos carezan das necesarias proteccións "As diferenzas no agro chegan sobre todo porque normalmente as mulleres cotizan poucos anos ou directamente non cotizan. Iso fai que en moitos casos carezan das necesarias proteccións" Como poden os e as traballadoras estar informadas, coñecer os seus dereitos e evitar os abusos? Na web da Seguridade Social hai información, o mesmo que nas páxinas dos sindicatos hai apartados relativos á saúde laboral, ás enfermidades profesionais e á prevención de riscos. Despois hai que interpretar esa información, o que non sempre é doado. Os sindicatos ofrecen asesoramento nestes casos e axudan na tramitación das solicitudes e reclamacións. Ademais, teñen unha relación constante coas administracións e fan constar estas problemáticas, con máis ou menos éxito, pero quedan aí reflectidas. Unha correcta información pode evitar moitos dos abusos das mutuas.
PRAZA_6978
Aminetu Haidar sinala a súa esperanza de que "tras o recoñecemento do Goberno español do Estado palestino, o segundo paso sexa eo recoñecemento da República Árabe Saharaui Democrática". Na conferencia participaron representantes de PSdeG, AGE e BNG.
Madrid acolleu este venres e sábado a 39ª Conferencia Europea de Apoio e Solidariedade co Pobo Saharuí (EUCOCO), na que xunto ao Presidente da República Árabe Saharaui Democrática (RASD) e secretario xeral da Fronte Polisaria, Mohamed Abdelaziz, que inaugurou o encontro, participaron outras autoridades do Goberno Saharaui, activistas defensores dos dereitos humanos, representantes de organizacións políticas e sociais e delegados saharauís en numerosos países. Tamén participan representantes de gobernos que recoñecen a RASD. Esta conferencia é a cita anual máis importante do movemento de solidariedade co pobo saharauí. Durante dous días analizouse a situación política do Sáhara Occidental, relatáronse as violacións dos dereitos humanos nos territorios ocupados, estudouse o espolio dos recursos naturais e a situación das mulleres e da mocidade baixo a ocupación marroquí. O encontro péchase este domingo cunha manifestación de denuncia que percorrerá as rúas de Madrid baixo o lema "Pola descolonización e a independencia, en defensa dos dereitos humanos". Na primeira xornada da conferencia, lembrouse a necesidade de que a comunidade internacional e, en particular, o Estado español, actúen para forzar o estado marroquí a que respecte os dereitos humanos e acceda á celebración do referendo. O presidente da RASD Mohamed Abdelaziz salientou que o debate aberto en España sobre o recoñecemento do Estado Palestino "axuda ao Sahara" e lembrou a "responsabilidade" de España como antiga potencia colonizadora no territorio. De igual xeito, no peche da conferencia, a activista saharauí de dereitos humanos Aminetu Haidar declarou que espera que "tras o recoñecemento do Goberno español do Estado palestino, o segundo paso sexa o recoñecemento da RASD". Haidar denunciou tamén o empeoramento da situación da poboación saharauí nos territorios ocupados por Marrocos: "desde o cesamento do fogo de 1991, a poboación saharauí leva a cabo unha loita pacífica. Son dolorosas as detencións arbitrarias, os asasinatos e as torturas que se producen nos cárceres marroquís, pero tamén nas rúas onde se atopa a poboación saharauí", A activista denunciou tamén as condicións "deplorables" en que se atopan os presos políticos saharauís: "Temos case 80 presos de conciencia, entre eles temos a 22 presos condenados polo alto tribunal militar. Son condenas duras de entre 20 anos de cárcere e condena perpetua. Marrocos non os recoñece como presos de conciencia, senón presos de dereito común". Aminetu Haidar dixo tamén que teñen moito medo de que os mozos saharauís nas zonas ocupadas pensen en usar a violencia para reivindicar os dereitos lexítimos: "Son novos oprimidos e desesperados que buscan atraer a atención da comunidade internacional", afirmou. Algúns destes presos iniciaron folgas de fame. "Marrocos dixo que ía a anular os xuízos militares, pero até o momento non vimos nada. Por iso empezaron unha folga de fame o día 8 de novembro de 48 horas e farán outra o día 26 para lanzar unha mensaxe aos participantes do Foro internacional de dereitos humanos que terá lugar en Marrakech", dixo, un foro no que a asociación que preside Aminetu, CODESA, foi excluída. En canto ao papel que xogan as institucións internacionais, Haidar dixo que "a MINURSO é unha testemuña cega, con ollos vendados. Non pode facer supervisión de dereitos humanos porque non teñen competencia para facelo, non ten ese mandato. Queremos a ampliación da competencia da MINURSO ou a implantación doutro mecanismo da ONU", concluíu. Participación galega Varios deputados e deputadas galegas participaron na conferencia. Carmen Gallego foi a representante do PSdeG-PSOE e participou nun grupo de traballo sobre Política e Información. Por AGE asistiu Xabier Ron, tamén membro do intergrupo do Parlamento de Galicia, Paz co Sáhara, sinalando o obxectivo de acadar unha postura europea forte en defensa da petición de referendo de autoderminación do pobo saharaui e tamén para lograr que se amplíe o mandato da Minurso para evitar a vulneración dos dereitos humanos nas zonas ocupadas no Sáhara occidental. Polo BNG interveu Montse Prado, tamén integrante o integrupo. A través del, o BNG ten reclamado a inmediata liberación dos presos políticos por parte do goberno marroquí, o fin do espolio dos recursos naturais no Sáhara Occidental, o desmantelamento do "muro da vergoña" e o respecto do alto o fogo. O BNG defende que a descolonización do Sáhara é un problema enquistado, no que o Estado español ten unha parte importante de responsabilidade, e que para resolverse precisa de esforzos políticos, pero tamén de atención humanitaria e de vixilancia e denuncia dos organismos internacionais perante a conculcación dos dereitos humanos que padecen os saharauis.
NOS_20557
A incidencia acumulada a 14 días na Galiza é de 54 casos por cada 100.000 habitantes. Unha ratio que se supera nas franxas de idade máis novas, consecuencia de que aínda estean sen vacinar.
O Ministerio de Sanidade vén de publicar a incidencia da Covid-19 nos diferentes territorios do Estado segundo as franxas de idade. Unha información que permite ter unha radiografía de como o SARS-CoV-2 afecta os diferentes tramos de idade na Galiza, observando profundas diferenzas, que teñen a ver co propio proceso de vacinación: aqueles grupos que xa teñen a pauta completa da vacina contra este coronavirus rexistran baixos niveis de incidencia. E ao contrario, onde aínda non se vacinou, a incidencia da Covid é, loxicamente, maior. Na Galiza a incidencia acumulada (IA) a 14 días é de 54 casos por cada 100.000 habitantes. Un número moi inferior á media que se rexistra no Estado español, onde está en 106. Esta dinámica reprodúcese en toda a comparativa: en todos os tramos, a incidencia é menor na Galiza que no resto do Estado. Quen ten a incidencia acumulada máis alta na Galiza? Os que teñen entre 12 e 19 anos: 145 casos por cada cen mil mozos Iso si, hai diferenzas entre os grupos de idade en Galiza. Así, vemos como os nenos e nenas de menos de 11 anos de idade rexistran unha IA de 58, superior á media galega, que lembremos que non chegaba a 55 casos por 100.000 habitantes. Quen ten a incidencia acumulada máis alta na Galiza? Os que teñen entre 12 e 19 anos: 145 casos por cada cen mil mozos, case o triplo da media galega. A seguir están os de entre 20 e 29 anos, cunha IA de 122; e os de 30 a 39, con 85. DE 40 a 49 anos esa IA sitúase en 61,8 E quen fica por baixo da media de IA que se rexistra na Galiza? Pois as franxas de 50 a 59 anos (27,8), de 60 a 69 anos (19), de 70 a 79 (10,7) e maiores de 80 (11,5 casos por cada 100.000). Unha radiografía que amosa como a vacinación é determinante: os grupos vacinados rexistran menos IA. Unha chamada tamén a manter a prevención por parte daquelas franxas que aínda non recibiron as doses.
PRAZA_13284
O Goberno galego si destaca que o futbolista Míchel Salgado participou na selección española ao explicar os motivos polos que lle concede o mesmo galardón que ao ex adestrador do Deportivo da Coruña. A ex conselleira e ex candidata do PP en Lugo, Manuela López Besteiro, entre os premiados.
"Unha referencia indiscutible do noso deporte". Deste xeito comeza a enumeración de motivos ofrecida polo Goberno galego para explicar a concesión dunha das Medallas Castelao de 2012 a Arsenio Iglesias. O Consello da Xunta deu este xoves luz verde ao decreto cos nomes dos cinco galardoados coa distinción que lle é outorgada "a aqueles galegos e galegas autores dunha obra merecente de recoñecemento do seu pobo en calquera faceta da actividade humana" e, como é habitual, difundiu un currículo de cada unha das persoas premiadas. No caso do adestrador de Arteixo o Executivo esténdese en detallar a súa traxectoria pero fai unha excepción: en ningún punto do seu relato menciona que Iglesias foi un dos dous adestradores da selección galega de fútbol mentres a Xunta apoiou a celebración dos seus partidos amigables, isto é, entre 2005 e 2008. O Executivo salienta que Salgado xogou na selección española pero non menciona que tamén o fixo na galega Así, na información difundida dende San Caetano é posible coñecer que Arsenio Iglesias "disputou doce temporadas na Prieira división do fútbol español, retirándose profesionalmente en 1965". Igualmente, explican que "pasou por varios equipos" coo adestrador, se ben "destaca sobre todo o ascenso do Dépor a Primeira División", ao que "hai que engadir éxitos como que por primeira vez na súa historia o Dépor se clasificase para xogar unha competición europea" ou gañase o seu "primeiro título oficial". Alén "da súa traxectoria como futbolistas e adestrador" Arsenio Iglesias, di a Xunta, "é un persoeiro galego apreciado publicamente pola súa indiosincrasia e a súa forma de entender e interpretar a vida". Da irmandiña, nin unha palabra. Este esquecemento contrasta coa descrición que a Xunta fai do currículo do outro galardoado coa Medalla Castelao tamén vinculado ao mundo do deporte, o futbolista Míchel Salgado, a quen salienta como un dos xogadores "máis destacados da historia do deporte galego". "Comezou a súa carreira como futbolista nas categorías inferiores do Celta de Vigo e na temporada 94-95 deu o salto á primeira plantilla do equipo vigués", lembra o Executivo. "Consolidouse como un dos mellores defensas do fútbol" e, neste caso si, a Xunta engade tamén que "chegou mesmo a participar na Selección de Fútbol Española en 1998". "Pouco despois, o Real Madrid fichou o lateral galego e estivo dez anos no club merengue", explicita. Como no caso de Arsenio, a selección galega tampouco figura no percorrido que a Xunta fai pola traxectoria deportiva de Salgado, aínda que chegou a exercer como capitán da mesma. A ex conselleira López Besteiro, galardoada Á marxe dos premiados no ámbito futbolístico na nómina das Medallas Castelao de 2012 destaca tamén a ex conselleira Manuela López Besteiro, "profesora de educación infantil, profesora de bacharelato e inspectora de educación" que "conta cunha importante traxectoria política". "Foi deputada e desempeñou distitos cargos de responsabilidade na Administración autonómica", lembra a Xunta, que "destaca especialmente a súa etapa como conselleira" de Manuel Fraga, "na que aproba medidas moi importantes como a Lei Galega de Familia, Infancia e Adolescencia", anos nos que tamén, subliña, negociou a transferencia das políticas activas de emprego a Galicia. Así e todo, no currículum de quen, como deputada, negociou con PSdeG e BNG o decreto 124/2007 de uso do galego no ensino -López Besteiro chegouno a apoiar en público, pero a dirección popular optou por recuar-, a Xunta obvia tamén un dato: optou á alcaldía de Lugo polo PP en 2003, ano no que o socialista Xosé López Orozco logrou a maioría absoluta. Xunto a Iglesias, Salgado e López-Besteiro o vindeiro 28 de xuño recollerán tamén as súas respectivas Medallas Castelao o maxistrado do Tribunal Supremo Román García e o pediatra Federico Martinón. Listaxe de todas as persoas galardoadas coa Medalla Castelao
NOS_41796
O goberno non ten facultades para poder activar a marcha da Unión Europea, establece na resolución.
O Tribunal Supremo británico ditaminou esta quinta feira que a primeira ministra non é quen para activar o 'Brexit', a marcha do país da Unión Europea, sen recibir antes a aprobación do Parlamento. Unha decisión que supón un duro golpe para o goberno conservador, que mantiña que si podía facelo. O 'Brexit' xerou debates e análises constitucionais en torno ao equilibro de poder entre o Parlamento e o goberno británicos. Theresa May, primeira ministra, dixo que comezaría as negociacións para marchar da UE antes do 31 de marzo de 2017. Acolleuse a unha competencia coñecida como "prerrogativa real" e que permite ao goberno retirarse dos tratados internacionais. Porén, os demandantes – un grupo heteroxéneo de opositores ao 'Brexit'- indicaron que abandonar a UE supón ficar sen sereitos como a libre circulación, polo que o 'Brexit' non pode activarse sen aprobación parlamentar. O seu argumento, ademais, baseouse en que o referendo de xuño non era vinculante e que, plo tanto, o goberno non pode activar o artigo 50 do Tratado de Lisboa que establece que un estado membro pode marchar da UE, pois iso compete ao parlamento.
NOS_21043
Un home foi agredido e insultado na madrugada deste sábado no Berbés (Vigo), no que semella un novo caso de delito de odio contra as persoas LGBT+.
A violencia homófoba volve tomar as rúas de Vigo. Na madrugada do pasado sábado, segundo informaron fontes policiais, un home foi agredido e insultado a causa da súa orientación sexual. Os feitos ocorreron contra as 1.30 horas, cando o agredido, o artista Alberte Bello, se dirixía á súa residencia no Berbés. Entón un home abordouno e pediulle lume e, malia explicarlle que non levaba nin chisqueiro nin tabaco, comezou a agredilo ao berro de "maricón de merda". "Detectou pola miña voz, as miñas formas e as miñas pulseiras que eu era maricón", relata a través das súas redes sociais Bello, quen afirma que, aos seus 40 anos, hoxe ten "máis medo" que nunca. "Medo porque sinto que todo está mudando a peor, baixo unha perspectiva de odio que se fomenta desde grupos extremos e radicais que teñen unha cobertura que non é boa, que sementan odio e violencia e que non nos van traer nada bo a esta sociedade", lamenta. O artista, que sufriu contusións por todo o corpo, presentou unha denuncia ante a Policía Nacional o mesmo sábado. Os axentes aínda non puideron deter ou identificar ningunha persoa e manteñen aberta a investigación para atopar o agresor. A violencia homófoba, un fenómeno "en aumento" Organizacións en defensa dos dereitos das persoas LGBT+, como Avante, Nós Mesmas ou ALAS A Coruña amosaron a súa repulsa a esta agresión. "Nos últimos anos estamos a padecer un incremento das agresións homófobas por todo o país", advirte, en conversa con Nós Diario, o responsábel de organización de Avante LGBT+, Xandre Garrido. Lembra, así mesmo, que na fin de semana anterior un vehículo de Nós Mesmas foi atacado, tamén en Vigo, por levar a bandeira do arco da vella. "Mentres algúns negan a violencia LGBTIfóbica, pretenden que non se aproben leis que nos protexan ou mesmo falan de derrogar as que xa existen, nós seguimos sendo vítimas de agresións. A súa pretensión é sementar o medo e armarizarnos de novo, mais non o conseguirán", apuntan desde o colectivo a respecto da agresión a Bello. Nos últimos meses téñense denunciado múltiples agresións como a que acabou coa vida de Samuel Luiz na Coruña en xullo; porén, segundo datos do Observatorio Coruñés contra a LGBTIfobia, só un de cada dez delitos de odio por motivos de orientación ou identidade sexual é derivado a instancias policiais. "Á Policía fáltalle moita formación. En moitas ocasións os axentes desdeñan a denuncia, negan a identidade desa persoa... Entón moita xente prefire quedar na casa e non dicir nada porque lle dá reparo", explica Garrido.
NOS_50683
Inventa un criterio que logo desfai cando se trata de beneficiar outros partidos, chegando a mentir na Comisión Mixta para xustificar o informe emitido.
A presidenta do Tribunal de Contas do Estado, María José de la Fuente, mentiu na Comisión Mixta entre Congreso e Senado para xustificar a negación das axudas electorais polo envío postal a BNG, Junts, Compromís e Coalición Canaria-Nueva Canarias, mentres que co mesmo criterio eran aceptadas para Navarra Suma, unha coalición de dereitas integrada por Unión do Pobo Navarro, Ciudadanos e o Partido Popular. A xurisprudencia actual está marcada por un acordo da Xunta Electoral Central do 21 de decembro de 2017 diante da solicitude de formacións que constituíron un grupo parlamentar xunto con outras formacións, "sobre o dereito a recibir a subvención por envíos electorais do artigo 175.3", sinala o documento, no que ratifica que "as formacións que constituíron grupo parlamentar teñen dereito a percibilo". Este acordo baseouse nunha sentenza do Tribunal Supremo do 19 de xullo de 2017 que anulaba os intentos da Mesa do Senado en 2016, cando estaba controlada polo Partido Popular, de impedir a constitución no Senado do Grupo Parlamentario catalán. O auto declara que "foi vulnerado o seu dereito a exercer as funcións representativas" e obrigou a permitir a constitución do grupo, que especificaba os prexuízos da perda de subvencións ás que tiñan dereito. A pesar disto, na súa intervención na Comisión Mixta e respondendo ás preguntas do deputado do BNG, Néstor Rego, De la Fuente reiterou que estas resolucións da Xunta Electoral Central e do Tribunal Constitucional se referían "á posibilidade de constituír grupo parlamentario no Congreso e no Senado, non á percepción da subvención electoral", remarcando que "son dúas cuestións totalmente distintas". O Tribunal aplica a lei nos seus propios termos Na comparecencia, De la Fuente, que forma parte do Tribunal de Contas desde 2012 e foi elixida a proposta do Partido Popular, chegou a sinalar que "o Tribunal de Contas aplicou nos seus propios termos a lei", cando a súa tarefa é só aplicar a lexislación doutros órganos do Estado. Esta normativa, ao ter carácter electoral, debe ser interpretada pola Xunta Electoral Central, polo que o Tribunal de Contas non ten capacidade para facelo e decidir de modo arbitrario a quen lle concede ou non as subvencións electorais. O artigo 175.3 da Lei Orgánica do Réxime Electoral, o alicerce da norma que logo interpretan o Tribunal Constitucional e a Xunta Electoral Central, indica que se aboarán 0,18 euros por voto se a candidatura tivese o número de votos preciso "para constituír un Grupo Parlamentar", mais non especifica as condicións nas que esa candidatura pode conformar o grupo ou que teña que ser unha agrupación dunha soa formación política, polo que as resolucións do Tribunal Constitucional e da Xunta Electoral Central desenvolven a única interpretación posíbel en tanto eses órganos non cambien de parecer. Favores a grupos afíns O criterio utilizado para excluír formacións soberanistas, como o BNG, Compromís, Junts e Coalición Canaria-Nueva Canarias, non se aplicou en cambio a formacións menos críticas co devir do Estado, como Navarra Suma, unha coalición rexional conformada por Ciudadanos, Partido Popular e Unión del Pueblo Navarro, que desde 1982 se presenta ás eleccións conxuntamente co PP. Navarra Suma non constituíu despois das eleccións de novembro de 2019 ningún grupo parlamentar, limitándose a integrar o grupo Mixto, que xunta as formacións sen grupo parlamentar específico. Isto non foi impedimento para que o Tribunal de Contas lle brinde máis de 85.000 euros polos envíos postais durante a campaña electoral. Tamén no grupo Mixto, a formación asturiana Foro, que se presentou co Partido Popular nese territorio, achégase aos 150.000 euros de subvencións neste concepto; ao tempo que o Partido Rexionalista de Cantabria recibirá case 42.000 euros. Para Rego, esta "actuación semella motivada por unha posición política incompatíbel co rigor e imparcialidade que debería ter o Tribunal de Contas". Amais, acusouno de extralimitarse nas súas funcións para denegar a subvención de modo "arbitrario", e comprometeuse a seguir reclamando por todas as vías o que é xusto.
NOS_49894
A Real Academia Galega realizará o encontro o sábado 19 de outubro no Museo de Pontevedra.
A cuarta edición destes encontros, dedicada aos nomes das rúas, foi presentada en rolda de prensa esta cuarta feira, 2 de outubro, no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra. Na intervención participaron Víctor F. Freixanes; presidente da Real Academia Galega; José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra; e Luz Méndez, académica correspondente e coorganizadora da xornada. As xornadas xuntan achegas de 14 especialistas que profundarán no sistema de conformación nos centros urbanos de Galiza con especial atención ao compoñente social, histórico e político. Baixo coordinación das académicas correspondentes Ana Boullón e Luz Méndez, o programa (que pode descargarse aquí) preséntanse dividido en catro sesións. A primeira das intervencións, presentada por Ramón Lorenzo, tratará a conformación dos nomes das rúas na Idade Media en Santiago de Compostela, da man de Gonzalo Hermo (Universitat de Barcelona), e en Baiona, por Gonzalo Navaza (Universidade de Vigo). A seguir, Antonio Míguez Macho (Universidade de Santiago de Compostela) abordará a "Apropiación do espazo público e memoricidio: do golpe de 1936 ás políticas públicas da memoria", presentado por Antón Santamarina. A segunda sesión, presentada por Xulia Marqués, está dedicada aos Modelos de intervención didáctica e contará coas palestras e experiencias de Suso Fernández Acevedo (IES Ribadeo), con "A toponimia urbana como recurso didáctico: un proxecto do IES Dionisio Gamallo de Ribadeo", e Pilar Buela e Carlos Montejano (IES Valga), con "Hai rúas nas aldeas? Unha experiencia didáctica no concello de Valga". Na terceira das sesións, moderada pola coorganizadora Luz Méndez, levarase a cabo a mesa redonda "A salvagarda da toponimia tradicional fronte á hodonimia conmemorativa: a práctica da denominación das rúas nos espazos urbanos", que contará coa participación de Conchi Cochón (SNL do Concello de Pontevedra), Marta Souto (SNL do Concello de Vigo), Iván Méndez (SNL do Concello da Coruña) e Marta Negro Romero (ILG). Por último, péchase esta IV edición das Xornadas de Toponimia coa intervención de Gonzalo Navaza (Universidade de Vigo), "Proposta para un modelo de denominación hodonímica". As xornadas anteriores estiveron centradas na microtoponimia, nos nomes de persoas e apelidos e tamén nos alcumes. Inscrición Para formalizar a inscrición cómpre enviar un correo electrónico antes do 15 de outubro a [email protected] no que figuren os seguintes datos: Nome e apelidos, DNI, Enderezo postal completo, Correo electrónico, Teléfono, Datos profesionais. Ao final das xornadas entregarase un diploma de asistencia. Máis información en http://academia.gal A Xornada está en proceso de obter o recoñecemento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como actividade de formación permanente do profesorado.
NOS_5991
Hilda Cuba é arquitecta e profesora do departamento de Tecnoloxía da Construción na UDC. Xunto co arquitecto Iago Lestegás investiga como afectan os fluxos de turismo á paisaxe e ás habitantes de Santiago de Compostela.
—Cando se comeza a interesar polo impacto do turismo sobre a poboación?—Mentres estudiaba en Barcelona. Naquel momento había zonas da cidade que non eran utilizábeis polas non turistas, un problema que se estendeu a outros barrios. Levo cinco anos en Compostela e teño unha sensación similar, de que nun proceso rapidísimo a xente que vías pola rúa mudou, así como os usos do espazo. —Que impacto ten o turismo nas veciñas e no tecido comercial local?—En Santiago o problema é que o tecido produtivo é feble, moita xente vive do turismo. Moitos negocios, queirámolo ou non, rematan vivindo do turismo. Percíbese máis na restauración, pero tamén nos comercios das áreas máis despoboadas de resistentes como o casco histórico. Por outra parte, os albergues están a estenderse por moitas rúas de Compostela. A cidade é pequena e a influencia do turismo percíbese en todas partes, tamén na zona nova. Agora mesmo a Asociación de Veciños do Ensanche é unha das que máis se mobilizaron, denunciando que non hai vivendas para as estudantes ou que o comercio está a verse prexudicado. —Medidas como a limitación de vivendas de uso turístico sirven para limitar esa presión do turismo?—Unha boa normativa é o primeiro paso, pero ten que haber recursos para poder cumplila. E o Concello non ten eses recursos. É necesario estender a normativa, como se propuxo, a zonas ás que non afectaba como o Ensanche. Mais se o Goberno non é quen de facela cumplir na área da Zona Vella, tendo os mesmos recursos non sirve de nada ampliar a área de actuación. A maiores, o proceso de actuación contra os pisos ilegais é moi complexo. As axudas ao aluguer moitas veces pervértense, afirma Cuba —Que políticas de vivenda serían eficaces neste caso?—Se existise un parque de vivenda pública que permitise ter elementos resistentes e ben distribuídos na cidade, onde podas fixar certo tipo de poboación e determinados prezos de alugueiro, os procesos de xentrificación ou de turistificación atoparían máis barreiras. Tamén fomentar formas de vivenda alternativas, como as cooperativas, que creen eses elementos resistentes fronte o mercado do turismo. As axudas ao aluguer moitas veces pervértense, pois os caseiros saben que existen e acaban en mans privadas. Modifícase a cidade priorizando ás turistas sobre as veciñas, di a arquitecta —Participa nunha comisión no centro social da Gentalha do Pichel que analiza o impacto do turismo na cidade. —Fixemos un roteiro pola cidade, foi a nosa primeira actividade. Nel explicamos como afectou o turismo á planificación turística da cidade, con proxectos como a dársena de autobuses de Xoán XXIII, dirixida principalmente ao turismo, ou o da praza de Concheiros. Modifícase a cidade priorizando ás turistas sobre as veciñas. Sempre vén xente que foi afectada dalgún xeito por este proceso, á que botaron do piso ou que tivo problemas para atopar aluguer. O noso principal obxectivo é visibilizar esta problemática. Temos o Xacobeo, que nos vai comer, e non estamos nin organizadas para loitar contra isto. Queremos crear espazos para compartir as experiencias das veciñas e debatelas.
QUEPASA_44
Lembramos medio centenar de concertos históricos en Galicia
O 27 de maio cumpríronse 32 anos do histórico concerto que Yo La Tengo deu na Calle de Cristal de A Laracha. Ademais este concerto, celebrado o sábado 27 de maio de 1989, ten a peculiaridade que foi o segundo que a banda de Nova Iorque ofreceu en España, xa que ata ese momento tan só tocaran en Madrid previamente. O paso de Yo La Tengo (unha das bandas de referencia do indie americano dos anos 90, xunto con outras como: Sonic Youth, Pavement, Dinosaur Jr ou Pixies) por A Laracha, é unha das anécdotas musicais da Costa da Morte que aínda a día de hoxe a calquera melómano lle costa crer. Outros concertos históricos en Galicia Lembramos outros históricos concertos en Galiza (seguro que me esquezo de algún importante e tamén quedan fóra da lista os grandes concertos do xacobeo 93 e 2004 no estadio de Riazor e monte do Gozo): GNR (Portugal) e Semen Up en Buño (campo de futbol) en agosto de 1985. RAMONES e Los Suaves de teloneiros, 13 de novembro de 1981 pavillón de deportes de A Coruña. Ramones tamén en Marzo de 1991 pavillón de As Travesas (Vigo) e o 13 de Marzo de 1993 no Coliseo de A Coruña. Lords of the New Church en Vigo (Castrelos).Agosto de 1986 e na Iguana 14 de Abril de 2002 Vigo. Na emblemática sala viguesa Iguana club, inagurada en Decembro de 1990, os primeiros anos actuaron Green Day teloneiros de Nofx, e Offspring. O mesmo día Madona en Vigo (Balaídos) e Prince en A Coruña (colexio Santa María del Mar), 29 de Xullo de 1990. Dire Straits en Vigo (Balaídos) verán de 1992. Depeche Mode Pontevedra (en Pasarón) 13 de Xullo de 1993. Prince Santiago de Compostela (Monte do Gozo) 17 de agosto de 1993. Iggy Pop en Vigo (Sala ENE) 1994. Mike Oldfield en Pasarón festas da peregrina Pontevedra Agosto de 1995. Elastica en A Coruña ( playaclub) 16 de Decembro de 1995. Iron Maiden 22 de Maio de 1998 en Ourense (campo de futbol os Remedios). The Cure, Noroeste Pop Rock, praia de Riazor, A Coruña 18 de agosto de 1998. Rolling Stones en Vigo (Balaídos) 18 de Xullo de 1998. Molotov Lugo 10 de outubro de 1998. REM no aparcamento instituto feiral de Vigo 20 de Xuño de 1999. Rolling Stones en Santiago Monte do Gozo 16 de Xullo de 1999. Metallica en Vigo (Castrelos) 18 de Xullo de 1999. Sonic Youth, Iggy Pop,Yo la Tengo, Fu Manchu, Teenage Fanclub, Ash,L7…13 ,14 e 15 de Xullo 2000 Santirock Monte do Gozo. Ocean Colour Scene 20 de febreiro de 2000 A Coruña (Playaclub). Deep Purple en Vigo (Castrelos) Agosto de 2000. Smashing Pumpkins 7 Outubro de 2000 Santiago (Multiusos do Sar). Neil Young e Beck Coliseo de A Coruña 12 de Xullo de 2001. Placebo e Sexy Sadie en Vigo (pavillón das Travesas ),1 de agosto de 2001. Ocean Colour Scene outubro 2001 en Lugo (Pavillón de deportes) Godspeed You! Black Emperor Código de Barras (organizado polo Vademecum) 27 de Xaneiro de 2002. Death Cab For Cutie 1 de febreiro 2002 La Iguana Vigo;2 de febreiro Sala Mardi Grass. A Coruña. Oasis en Vigo (Castrelos ) 24 de Xullo de 2002. Jamiroquai en Vigo (Castrelos ) 27 de Xuño de 2002 . Rinôçérôse San forilán Lugo outubro 2002. Primal Scream con Sidonie teloneiros en Castrelos Vigo 6 de agosto de 2003. Placebo e Suede Santiago (multiusos do Sar) santirock. 31 de outubro e 1 de novembro.de 2003 Red Hot Chili Peppers. Santiago (Monte do Gozo) 27 de xuño de 2004 Supergrass en Castrelos Vigo 16 de agosto 2004 Violent Femmes ,The Soundtrack of Our Lives, Gluecifer, Los Coronas E High Sierras. Festival indie rock xacobeo 2004 no multiusos do Sar. 1 de Decembro de 2004 The Prodigy con Deluxe como teloneiros 31 de Xullo de 2005 en Vigo (Castrelos). The Clientele 20 de Outubro de 2005 sala Vademecum. Placebo e Echo and The Bunnymen en Villagarcía festival do norte.Mayo 2006. Paul Weller noroeste pop rock 3 de agosto de 2006 The Go Team! en A Coruña, 23 de Agosto de 2008. CocoRosie e Antony and the Johnson sala Vademecum Vigo 6 de novembro de 2004. No Vademecum tamén actuou Khan con Julee Cruise a cantante de Twin Peaks. Mercury Rev 12 de Maio de 2006.Inmediacións Expourense. 27 de Setembro de 2006 Liars con Deerhunter A Coruña (Playaclub) Ladytron Playa Club A Coruña, 8 de maio de 2007. The Robocop Kraus en A Coruña (playaclub) 14 de novembro de 2007 Beach Boys con Gloria Gaynor en Vigo( Castrelos) 13 de Xullo de 2001. 24 de Agosto de 2001 Manu Chao en Lalín (Campo de futbol). The Stranglers Noroeste Pop Rock 94 A Coruña. Happy Mondays 19 de Xuño de 2007 A Coruña, xardins de Mendez Nuñez Stereolab Pazo da Cultura de Pontevedra, 21 de Novembro de 2008. The Hellacopters en Expocoruña 20 setembro 2008. The War on Drugs na Fábrica de Chocolate Vigo. 11 de marzo de 2009. Maikel Pérez Castro, Picadiscos. SOANDOCONFORZA 5 temas fronteirizos. #SoandoconForza: 8 aniversarios singulares. #SoandoconForza: Un avance do que se vén polos festivais galegos este verán. #SoandoconForza: Dúas listas para #RadioQPC. 5 novidades de bandas galegas. 5 sesións para amenizar a finde. 5 imprescindibles documentais de música. Lembrando unha visita de Manu Chao á Costa da Morte. Catro novidades e un clásico para a última fin de semana de marzo. Playlist polo Día do Pai. #SoandoconForza: Baiuca. #Soandoconforza: "Tu Futura Ex Mujer". #SoandoconForza: Coñecendo a banda carballesa "Apart" "Son Carballo", unha playlist de bandas carballesas.
NOS_44286
Sen sorpresas nos roteiros das distintas forzas políticas. Todo moi medido e moi polo rego. Así concluíu esta sexta feira a campaña das eleccións galegas, que deixa todo aberto e todo por decidir: se o próximo Parlamento ten maioría de direitas ou progresista e nacionalista, e que status político terá o país nos próximos anos.
Foi a campaña de "ou eu ou o caos" de Feijóo. Foi a campaña da "reforma do novo Estatuto" de Leiceaga. Foi a campaña de "non hai demanda social dun referendo de autodeterminación e hai que desenvolver aínda o actual Estatuto" de Villares. Foi a campaña de "Galiza debe abrir un tempo novo" de Ana Pontón, gañadora do debate do 12 de setembro, a única entre os protagonistas que, alén de visar a conquista do goberno, sinalou que o país debe aspirar a un novo rol. Feijóo non se moveu un milímetro do roteiro dos seus estrategas. O seu discurso foi de principio a fin o mesmo, a única garantía de a Galiza non se enlamar no bloqueo político que sofre o Estado desde o 20D é votar masivamente Partido Popular. Feijóo fiou todo desde o minuto 0 á conquista do escano 38 e a agrupar todo o voto da direita, sen contar en ningún momento co concurso de Cs. Nese empeño tivo unha aliada, a candidata de Ciudadanos, absolutamente fóra de foco toda a campaña, marcada pola súa calamitosa actuación no debate da TVG, da que o único que ficará na memoria é a súa opción lingüística a prol do español. Leiceaga e Villares protagonizaron un xordo combate pola segunda praza, sen demasiado brillo, sen conseguir en ningún momento inter-actuar con Feijóo. Non o conseguiron, entre outras razóns, porque Feijóo sinxelamente non lles deu status de interlocutor. Feijóo quixo transmitir a impresión de que non tiña rival, de que non combatía contra ninguén. Só contra unha sombra, a sombra do caos. Xa non dun eventual tripartito, senón dun multipartito, expresión posta en circulación polo PP e adoptada pola imprensa amiga de Monte Pío. Ana Pontón sementou en solitario o rego soberanista. A súa mensaxe pode resumirse nesta frase: Feijóo non, por suposto, mais o país necesita ser dono de si propio. PSdeG e En Marea emitiron os seus discursos en frecuencias moi semellantes. Mensaxes socialdemócratas no social e estatutismo no nacional. Leiceaga puxo máis o acento no dossier económico, dada a súa formación profesional. Villares, no combate contra a corrupción, moito no seu papel de xuíz xusticieiro. Ana Pontón sementou en solitario o rego soberanista. A súa mensaxe pode resumirse nesta frase: Feijóo non, por suposto, mais o país necesita ser dono de si propio. Ligou en todo momento a xustiza social coa demanda de pasos decididos rumo a una Galiza soberana. Foi o único discurso nidiamente rupturista de campaña, sendo que Villares, nas antípodas da executoria de Beiras desde 2012, non se moveu nin un milímetro dunha narrativa autonomista. Feijóo só quixo debater o 12S e, visto o visto, enténdese. A súa campaña era el mesmo. E ninguén máis Feijóo só quixo debater o 12S e, visto o visto, enténdese. A súa campaña era el mesmo. E ninguén máis. Nen as siglas do seu partido nen o seu chefe de filas, o inquilino da Moncloa. Ninguén lle podía roubar o primeiro plano. Como non voltou a debater, a campaña ficou plana, moi controlada polos medios públicos e por unha imprensa amiga que agachou todo o que puido até a denuncia da xunta eleitoral de Rivadavia. Mesmo así, no debate ficou claro que a dicotomía do discurso feijoniano é falsa: se o bloco progresista e nacionalista suma o domingo 38 ou máis escanos, haberá goberno alternativo. En ningún momento da campaña nen Pontón nen Villares nen Leiceaga puxeron en cuestión iso. Na campaña ficou claro tamén que a dialéctica real no seo das forzas da oposición ten a ver co rol político do país, con PSdeG e En Marea bastante en sintonía á hora de defender que, antes de pensar en ir a outros escenarios, o primeiro é desenvolver o teito competencial do Estatuto, e co BNG a subliñar que o autonomismo está xa esgotado e que no seu seo non é posíbel ir á raíz dos problemas do país -a súa dependencia, a ausencia dun poder político galego soberano. O encerramento da campaña non variou nen un chisco a partitura das distintas forzas en liza. Eis as últimas mensaxes da carreira cara ao 25S: Alberto Núñez Feijóo. PP. Pechou campaña no Teatro Afundación de Vigo. "Un presidente de Galiza non ten ningunha autoridade para quebrar o país ou encher os caixóns da Xunta de facturas sen pagar". "En Galiza temos a sanidade, a educación e os servizos sociais garantidos. Non debemos nada a ninguén". Ana Pontón. BNG Nós Candidatura Galega. Pechou campaña no Auditorio Mar de Vigo. "Pido o voto das persoas que confían no país para construír unha Galiza de oportunidades e ter o 26S motivos para sorrir". "Sei que hai moitas persoas que neste momento están dubidando que facer o próximo domingo, mesmo se ir votar. Pídolles a súa confianza, -votasen o que votasen no pasado- porque o BNG ten un proxecto para que saiamos adiante coas nosas propias forzas". Xoaquín Fernández Leiceaga. PSdeG-PSOE. Pecha campaña na Alameda de Compostela. "O noso proxecto pasa por esbozar un camiño ben diferente que quere xerar emprego e reforzar os servizos básicos do Estado do Benestar, recuperar os niveis de calidade da sanidade pública, a igualdade no ensino e a política social". "Se o domingo votamos en función dos valores, dos nosos ideais e do que queremos no máis fondo dos nosos corazóns, o luns poderemos ter un presidente socialista". Luís Villares. En Marea. Pechou campaña na praza de Praterías de Compostela. "Nós coñecemos á xente que nos rodea, pero son irmás porque teñen as mans manchadas de chapapote igual ca nós". "A nosa historia facémola nós, non hai destino que nos marque a historia. Seremos nós os que dicimos si á dignidade e non á corrupción". Cristina Losada. Ciudadanos. Pechou campaña na praza de Pontevedra da Coruña. "O 25 de setembro o voto a Ciudadanos será o voto das reformas, a transparencia, e non de aventuras incertas". "O primeiro que lle imos esixir a Feijóo é que Baltar saia de inmediato da Deputación de Ourense".
NOS_52993
Son os principais expoñentes da música tradicional ibérica e estarán a comezos de outubro na Galiza ofrecendo varios cursos e dous concertos. Son Eliseo Parra e Coetus, a orquestra de percusión ibérica radicada en Catalunya, que estarán na Casa de Gasamáns (Ames) os días 2, 3 e 4 de outubro.
Coetus, orquestra de percusión ibérica, xunto a Eliseo Parra e o dúo arxentino Luna Monti e Juan Quintero realizarán a comezos de outubro en Galiza unha residencia artística conxunta baixo o título Ir y venir, na que se combinará unha serie de concertos con diferentes cursos de formación e encontros abertos co público. Deste xeito, a formación catalá estarán na Casa Gasamans (Ames) os días 2, 3 e 4 de outubro, ofrecendo un amplo programa de actividades musicais e gravarán ademais directos durante os seus concertos como material para próximos proxectos. Coetus é un atrevido proxecto de orquestra de percusión ibérica dirixido por Aleix Tobías e cuxo obxectivo é a recolleita e posta en valor da abondosa colección de instrumentos de percusión da Península Ibérica. Deste xeito, a formación explora e reivindica os instrumentos de percusión, a maioría pouco coñecidos, que ao longo da historia serviron para acompañar as cancións, os romances, as festas e os bailes das diferentes culturas que conviven na península. A proposta, polo tanto, é afondar nos sons de todos estes instrumentos para crear unha linguaxe propia, inspirada nos ritmos tradicionais e nos diálogos coa voz. Para conseguilo sobre o escenario, atopamos un total de 21 músicos de Coetus, reforzados coa presenza do mestre Eliseo Parra, figura imprescindible para entender a restauración das músicas tradicionais. Coetus e Eliseo Parro xúntanse nesta ocasión con Luna Monti e Juan Quintero, dúo arxentino de músicos, nun proxecto que chegará a Galiza en outubro como unha experiencia pioneira e inédita no noso país En 'Ir y venir', Coetus e Eliseo Parro xúntanse nesta ocasión con Luna Monti e Juan Quintero, dúo arxentino de músicos, nun proxecto que chegará a Galiza en outubro como unha experiencia pioneira e inédita no noso país. Trátase dunha residencia artística na que a formación ofrecerá un total dez obradoiros de formación, abertos á inscrición para músicos profesionais e afeccionados, na fin de semana do 2 ao 4 de outubro. A programación formativa desta residencia artística comezará a propia sexta feira 2 de outubro cunha sesión de Baixo Electrónico no Folclore, impartido por Guillem Aguilar. A partir dese momento, ofreceranse masterclass de Caixón flamenco, coa intérprete Acari Beltrán; Percusión Ibérica, con Aleix Tobías; Arranxos vocais, con Luna Monte e Juan Quintero, ou de Construción de Instrumentos, con Alberto Carreño. Tres concertos e encontros co público Durante esta residencia artística da formación, ofreceranse tres concertos nas noites do 2, 3 e 4 de outubro, todos a realizar na Casa Gasamans (Ames) ante un aforamento de 150 localidades. A primeira das actuacións será a sexta feira 2 de outubro ás 22.00 horas e nela actuarán Coetus xunto a Eliseo Parra e Luna Monti e Jua Quintero. O sábado 3 de outubro, tamén ás 22.00, os mesmos músicos subirán ao escenario. Como colofón, o domingo 4 de outubro, ás 20.30 horas, vai ter lugar o derradeiro dos concertos, neste caso de Coetus e Eliseo Parra. Coetus ofrece, ademais, a posibilidade de pasar as tardes en encontros especiais e íntimos ao redor da música como aperitivo previo aos concertos. Deste xeito, cada unha das tardes desa primeira fin de semana de outubro irán ter lugar encontros cos músicos participantes nesta residencia artística de Coetus, nos que se realizarán improvisacións musicais, conversas e intercambios no que participarán diversos músicos galegos, ademais de contar cun café e merenda para os asistentes. Durante estas tardes musicais co grupo, tamén haberá actuacións de Xosé Lois Romero e Aliboria.
NOS_49153
A destrución dunha mámoa de 6.000 anos en Cea volve pór de actualidade a situación dos bens culturais de Galiza en perigo inminente. Unha 'lista vermella' que aumenta semana tras semana.
Un túmulo neolítico de máis de 6.000 anos de historia foi destruído na aldea de Ardesende (San Cristovo de Cea) dando paso a un merendeiro. Un ataque ao patrimonio que non é un feito illado na Galiza do século XXI. Para coñecer e protexer os bens culturais de Galiza naceu 'Patrimonio Galego', unha ferramenta para poder ter un Catálogo Social do patrimonio cultural galego, "unha especie de Wikipedia do Patrimonio", como resumen con retranca os seus promotores. Como ten recoñecido un deles, Manuel Gago, xornalista e experto en patrimonio, 'son todos os que están mais non están todos os que son'. Patrimonio Galego leva catalogados case 7.500 bens culturais ao longo e ancho de toda Galiza. Na súa 'lista vermella' (definición empregada a nivel internacional para se referir a aqueles en estado de abandono ou risco) había 40 a principios de 2015, cifra que vai aumentando coas denuncias e avisos de catalogador@s. De feito, na actualidade son xa medio cento os bens incluídos nesta clasificación. A principios de ano había 40 bens na 'lista vermella' de Patrimonio Galego, unha cifra que na actualidade xa anda no medio cento De conventos a cruceiros, pasando por pontes, igrexas ou círculos líticos, diversos elementos integran esta lista de Patrimonio Galego, que di que "está formada por aqueles bens que corran grave perigo, xa sexa de destrución, alteración ou desaparición". O criterio para que un elemento pase a formar parte de dito listado será establecido polo grupo de editores de PG. Así, semanalmente, "de todas as novas fichas incorporadas, valoraranse as máis vulnerables. Para isto, xunto á información aportada polo catalogador/a, analizarase o seu estado, a documentación e as novas nos medios". Finalmente, elaborarase un informe anual sobre os bens que corran maior perigo. A 'Listaxe vermella do patrimonio en perigo', que elabora a Asociación para a Defensa do Patrimonio 'Hispania Nostra' tamén acende o sinal de alerta, embora para eles son 12 os bens de patrimonio na Galiza en grave risco de desaparición, destrución ou perda.. Esta lista, creada en 2006, inclúe pazos, dolmenes, mosteiros ou torres.
PRAZA_12637
Chévere representou esta fin de semana o primeiro dos seus espectáctulos na súa nova 'casa' en Teo. Estiveron moi presentes os grandes temas da actualidade: o affaire do alcalde compostelán, o accidente do Rei en Botsuana ou os debate internos no nacionalismo. Audio no interior.
Sempre pasa o mesmo: hai que ir á Ultranoite de Chévere para coñecer a verdade sobre os últimos acontecementos da actualidade. O Rei -deixouno ben claro en Teo- non rompeu a cadeira. Só tivo un pequeno esguince. Porque foi de safari "en toda la extensión de la palabra"- e resulta que a súa pelve xa non é o que era. Ademais, se Froilán se disparou nun pé, foi unicamente porque é metade Marichalar. Que un Borbón nunca falla un tiro, e menos se ten en fronte outro Borbón. As declaracións do Rei -un dos personaxes máis coñecidos de Manolo Cortés- diante dunha pantalla coa bandeira republicana e o lema "non hai dúas sen tres", non foron a única revelación da primeira -a segunda, en realidade, pois foi na sesión do sábado- Ultranoite celebrada por Chévere en Teo despois de deixar a sala Nasa en Santiago. O público puido asistir tamén, por suposto, a unha interesante conversa entre Espadas e Conde Roa -Mónica García e Xesús Ron-. Foi no guiñol Ubú Roa, nun famoso local de Santiago, A Tita. E con el os titiriteiros amosaron unha das súas máis fondas preocupacións: o alcalde supéraos no seu talento para o clown. Os titiriteiros amosaron unha das súas máis fondas preocupacións: o alcalde supéraos no seu talento para o clown Porque foi comedia tras comedia, toda o que leva de mandato. Espadas foille lembrando algún dos seus mellores shows. Desde o de José Tomás diante dos xornalistas na rolda de prensa sobre a súa débeda con Facenda, ata a súa epopea cun semáforo, a súa cruzada contra os terroristas que ocupaban a sala Yago, o seu western "van a sentir nuestro aliento en la nuca", a súa proposta de trasladar a intermodal... "Quero prohibir a ópera, o teatro e a danza", dicía o monicreque Roa, pois os culturetas prodúcenlle "especial repugnancia". Aclarou, ademais, que ese tema da débeda é unha conspiración contra el, que el era só un penitente que busca, como pode, algunha "comisión" para facer fronte ás súas obrigas fiscais. Mais o que non sabían Espadas e Roa é unha cousa que despois descubriu o Apóstolo Santiago -personaxe senlleiro de Carlos Santiago-. Foi el mesmo, -confesou-, quen deu o sopro da débeda do alcalde. Para sacar de diante a ese "camisa nueva nefasto". Porque a súa torpeza é tan grande que ata lle fixo publicidade a un pallaso italiano -Leo Bassi- que se atreveu a ir á catedral e insultar ao Apóstolo na súa propia casa dicindo que alí estaba enterrado Prisciliano. A cuestión é, alén disto, que o Apóstolo ten xa desde hai uns meses un "babilónico cabreo". Está triste desde que soubo que morrera Manuel Fraga. Moi preocupado porque "vienen los pijos de Nuevas Generaciones y nos desmantelan el caciquismo", el mesmo pedíralle ao ex-presidente da Xunta -que ademais era inmortal desde Palomares- que se esquecese da morte. Pero leváronllo a traizón, e aínda máis: Pedro aseguroulle que a alma do ex-ministro non ía descansar no ceo polo seu pecado acumulado na ditadura e despois. Malia as protestas de Santiago, que lembrou que Franco tiña máis penitencia e conseguira entrar, non houbo maneira, pois seica Deus anda moi recto coas normas desde o dos nenos e os sacerdotes e outros problemas. Entón o Apóstolo decidiu apoiar a salvación da alma de Fraga promovendo a aclamación popular. E diso vén o seu cabreo. No acto que lle preparou produciuse o "espectáculo bochornoso" da presenza de só uns poucos centos de fieis. Ata tivo que pasar a vergoña de chamar a El Correo Gallego -"la verdad revelada", para "manipular" a cifra real de asistentes ao acto. Pero houbo moito máis na Ultranoite. Rajoy -Manolo Cortés-, co seu recorte con fondo azul e de gaivota, advertiulles aos rojos de que estaban jodidos e cantou Soy pepero, fermosa versión do Soy minero de Antonio Molina. O dúo Os San Caetanos convidou a Fasero, o director de Agadic, a traballar en precario e sen branca -alusión dobre aos recortes e ao cese de Branca Cendán como directora do CDG- como fan os do teatro. Os da Ría expresaron a súa solidariedade coa Infanta Elena nestes momentos tan difíciles e a vedette Iria Pinheiro lembrou as débedas de Agadic co teatro acumuladas desde o 2010, ademais da cantidade millonaria que Björk cobrará por cantar no Gaiás. E Breaking News from Galiza, -con Iria Pinheiro e Monti Castiñeiras-, sinalou a confusión da xestión pública coa apertura de franquicias de empresas, entre outras cuestións. A vida de Brais estilo Monty Python, unha parodia de Chévere sobre as divisións internas do BNG Houbo ao longo da noite varias alusións ao alcalde de Teo, Martiño Noriega. Unha delas, en A vida de Brais estilo Monty Python, unha parodia de Chévere sobre as divisións internas do BNG. Xa dixera antes o Apóstolo Santiago que eran tan separatistas que ata se separaban entre eles. E con tal confusión de siglas que permanecen ou marcharon do BNG, acabaron trabucándose ao chamarlle disidente a Aymerich ou á UPG. Propuxeron, ademais, crear unha nova corrente: a Unidade do Pobo Galego. Rematou a Ultranoite cunha versión do Bella Ciao interpretada por todos os artistas que antes saíran ao escenario, que repasou as consecuencias do goberno da dereita: recortes, reforma laboral, cambios na lei do aborto ou na lexislación sobre o matrimonio homosexual, fin das obras sociais e do modelo das caixas de aforro públicas, ou mesmo da lingua e a cultura galegas. "Dilles, ciao, ciao, ciao".
NOS_7478
É unha das voces imprescindíbeis da literatura galega e, alén do máis, é un intelectual comprometido co seu país. Desde moi novo, Suso de Toro (Santiago, 1956) é literatura, mais tamén é política, non retórica vacua, senón acción para mudar o mundo. A súa paixón pola Galiza levouno a impulsar o nacimento da que agora se coñece como Iniciativa pola Unión.
Combinamos un café nunha terraza no centro da capital da nación, tomada polos tractores da dignidade. Suso de Toro fala torrencialmente, mais faino con xeito: hai en todo o que di un entusiasmo contaxioso, mais tamén cálculo, experiencia e reflexión. -A unidade é posíbel? -Bon, estamos aprendendo todos. Todos estamos aprendendo. De Catalunya o que aprendería sería do proceso cívico-político. Daí hai muito que aprender. Fanse advertencias contra os cataláns, que están facendo cousas malas, cousas feas..., pois é ao contrario, están facendo as cousas máis fermosas, son unha sociedade intelixente e informada como ningunha e gañou unha dignidade que non estaba a ter, baseada precisamente en rebelarse, falo dunha sociedade que ten dentro tantas correntes políticas e culturais e que, porén, está a fraguar un proxecto nacional e un proxecto nacional que indubidabelmente abarca desde sectores de Convergència e Unió -houbo sectores que ficaron fóra, Unió ficou fóra- até a CUP. Están a fraguar un experimento político na Europa e é algo marabilloso. Nós, cando falamos da nosa unidade, a unidade á que nos estamos a referir, non falamos dunha unidade nacional propiamente, mais ten que prefigurar unha nación orgullosa e cun programa social, que se constrúa sobre bases sociais de xustiza social. Entón, se é posíbel...eu estou seguro de que é posíbel. Estou seguro e poderíamos dar moitas voltas...mais ao final por detrás do fume, do ruído e do díxome-díxome, o que hai que perguntarlle é aos partidos. Os partidos xa se viu hai tempo que chegaron a unha crise. De feito nas anteriores eleccións houbo partidos que optaron por non presentárense diretamente e fixérono desde detrás de candidaturas municipais porque efectivamente ante a sociedade non hai un grande aprezo dos partidos existentes. Outros, como é o BNG, aceptaron e comprenderon que precisaban unha certa corrección; o Bloque apresentouse baixo a etiqueta BNG-Asembleas Abertas... "Se Podemos convoca as súas bases [galegas] e as consulta, estou certo de que van dicer que queren un proxecto nacional galego soberano" Fixo falta falar desde fóra dos partidos, entón isto deuse en distintos lugares, no meu caso nace nunha iniciativa que montamos no Facebook, pedindo unha candidatura unitaria, galega, con participación cidadá, e houbo que seguir, e houbo que facer un 25 de Xullo e iso probou varias cousas, probou que a sociedade galega ten un sentimento nacional, probou que había un orgullo e un desexo de mostrar orgullo, e probou tamén que había unha frustración nacional, a propia esperanza que deu ese 25X o que probou é que había unha frustración nacional, e probou que había un enfado cos partidos e un desexo doutras voces...agora ben, o certo é que detrás de todo isto e arredor nosa e na realidade social están os partidos e así debe de ser, outra cousa é que os partidos están nunha crise máis fonda do que eles mesmos teñen asumido e teñen que se revisar. Eu creo que na Galiza é posíbel a unidade. Podemos é o único partido político que plantexa especificamente non confluír, non participar, non entrar na confluencia cos demais [defende o mantimento da súa marca nas papeletas], pois ben, se ese partido convoca as súas bases [galegas] e as consulta, estou certo de que van dicer que queren un proxecto nacional galego soberano. O marco político que temos por diante son unhas lexislativas nas que se vai reformar a Constitución, vaise voltar a discutir que tipo de Estado existe e estou certo de que nese debate as bases de Podemos van querer que Galiza teña unha voz soberana propia, que exista como nación. Para querer outra cousa xa están o PPdeG e o PSdeG, para ter organizacións rexionais xa existen esas. Este é un marco político novo e eu estou seguro de que as bases políticas de Podemos xa comprenderon e fan parte do noso debate; outra cousa é a estratexia da dirección madrileña. Podemos en realidade é un partido que son dúas cousas. Nun primeiro momento foi un grupo de profesores madrileños moi compactado, un grupo moi leninista, de cultura leninista. -Leninista ou trotskista? -Leninista, claramente son xacobinos. O obxectivo é alcanzar o poder. Ese é o obxectivo. Lévano explicitado moitas veces. Ben, este grupo fixo un apelo a unha base social, a un grupo xeracional sobre todo, e a unha opinión pública transversal, descontenta, enfadada coas políticas que levaba adiante o goberno, as da Troika, e tamén cunha forma de facer política, tanto a dos partidos da dereita como a da esquerda, entón fixo un apelo a iso e ese apelo creou unha gran ilusión. Iso foi Podemos tamén. Un grupo moi organizado, un grupo leninista que apela a algo que estaba na sociedade e a sociedade responde con entusiasmo. "Que elitismo, que clasismo sería calquer proxecto político que se basee unicamente nun segmento social, urbano e de clase?" Mais hai un segundo momento que é o Podemos organización controlada xa desde Madrid. Son dous momentos. Se Podemos en Galiza volta ao momento inicial, ao que foi Podemos, eu estou seguro de que non teremos problemas en confluír. É dicer, calquera cidadá que non se avergoñe de ser galego, que crea que o noso país é un país ao que a dependencia lle leva custado millóns de persoas -somos un país que leva tido unha drenaxe demográfica enorme, ao que se nos leva extraídos recursos humanos e económicos inmensos-... calquera cidadán que saiba iso se decata de non lle podes falar aos nosos campesiños desde Madrid, como vas falar con esta xente se non te expresas desde unha conciencia de país. Aquí hai un problema...A nova cultura critica con todo fundamento os partidos existentes, os partidos-máquina, os partidos de "dame tu voto y calla". Mais esa crítica non pode ir separada dunha conciencia cívica. Non vale a miña individualidade separada. Vai ser unha persoa que só mira pola súa cidade, non vai ter en conta o país?, estes tractores non son os nosos tractores?, estas vacas non son as nosas vacas?, que elitismo, que clasismo sería calquer proxecto político que se basee unicamente nun segmento social, urbano e de clase?? Precisamente a candidatura soberana, nacional galega, é unha candidatura social e nacional, é un proxecto cívico no que as galegas e os galegos nos recoñecemos como país, reivindicamos a dignidade de ser cidadáns galegos, somos cidadáns no mundo, mais cidadáns galegos e galegas. Partillamos un destino histórico. Onde está o noso destino? Onde está o noso país? Se o noso destino está no noso país, se nos sentimos partícipes dun país, pois daquela está claro... salvo que desprecemos toda a memoria histórica...pero entón que ninguén me fale de Ánxel Casal, que ninguén me fale de Alexandre Bóveda, se non entende isto, que ninguén me fale dos republicanos fusilados, do goberno no exilio, que ninguén me fale de Castelao, se ao final todo se reduce a un elitismo pijo, porque iso pode ocorrer, se unicamente facemos unha crítica baseándonos en que a nosa individualidade non se sente representada polos partidos, se non somos capaces de sentírmonos unha comunidade humana, o resto da xente do noso país, entón seremos provincianos, servís a Madrid, como sempre e seremos pijos de provincias. -Fas un apelo a Podemos e esta semana -por boca dun dos seus dirixentes galegos máis cualificados, Antón Gómez Reino, unha persoa moi vinculada a Pablo Iglesias- dixo que o máis probábel é que finalmente haxa 2 candidaturas nas xerais. -Ben, queira que non a dirección madrileña e os seus representantes, dentro de Podemos hai un debate político interno na Galiza. Se é certo que eles queren ser un partido político distinto aos que criticaron terán que chamar as súas bases e consultalas. Pero é unha opinión. Alá eles, naturalmente, son un partido soberano. -Podemos Galiza argumenta que eles xa fixeron un referendo interno telemático... -Mais iso é a cousa máis vella que pode haber. Non entendo que eles podan pensar que son máis modernos e máis distintos do que os outros. A sumisión a Madrid, esa é a España máis antiga que hai e desde o ponto de vista da construción cívica é o máis arcaico e obsoleto...non o podo entender. -A respeito do debate sobre a unidade... -Eu insisto na unidade, creo que se vai dar... -Cando falas de unidade, falas de unidade con Podemos dentro? -Unha unidade en que Podemos e as súas bases van partillar un proxecto nacional galego, aberto, con participación da cidadanía, con afiliación individual e construído desde abaixo... -Sen ningunha sigla concreta nas papeletas? -Si, sen siglas nas papeletas. Iso vai ser. Haberá que escoller un nome, construído entre todos, como todo, terá de ser construído entre todos. Iso vai ser. Iso vai ser. Iso vai existir...[repite enfático, reflicte uns segundos e continúa]. Se Podemos fica fóra diso...eh, alá eles, pero se Podemos fica fóra diso -tendo en conta que unha parte das súas bases partillan este proceso de debate- o que quedará claro é que son eles os que rompen a unidade, estarán rompendo a unidade. Porque o que estamos facendo os demais é construíndo unidade. O que pasa é que é unha unidade nacional galega. Soberana, claro. Non son catro unidades provinciais submetidas a Madrid. Iso non. Iso non é unha unidade. Aí non se constrúe nada. Iso é reforzar o existente.. Iso é lexitimar as relacións de poder existentes. E non entendo que ningún galego a estas alturas poda retroceder tanto. -Por que un escritor está nisto e con tanta paixón? -Ben, na miña vida eu desde rapaz tiven unha vocación artística e fun militante desde neno, desde os 14 anos comecei en asociacións sociais, culturais galeguistas, e logo clandestinas políticas, sempre me comprometín, logo no meu carácter está sempre o de pisar todas as pozas, así como hai quen sabe nadar sen gardar a roupa, eu sei mancharme en todas as pozas, son maneiras de ser, pero tamén é certo que cando o meu país viviu un momento de urxencia, vin varias cousas, que o meu país sabía defenderse, tamén constatei a solidariedade de moitas persoas de todo o mundo, persoas dignas que viñeron aquí a limpar, que viñeron desinteresadamente, iso tamén, iso é algo que non esquecerei... pero tamén vin a capacidade de reaxir que tiñamos todos, tamén vin partidos que botaron unha man, ollo, foi o BNG quen nos convocou, non hai que esquecelo, agora hai todo un discurso da xente que pretende romper a unidade e que demoniza e exaxera os defectos do BNG e iso é interesado, o BNG terá todos os defectos do mundo e estanlle pasando factura, as cousas que fixo anteriormente deixaron unha cantidade de feridos e feridas que agora están a ser utilizadas na súa contra e contra os que queremos construír a unidade. Alí vin o BNG, e iso tamén o recordo, cos seus defectos, pero foi quen nos chamou, e cando se trata de supervivencia do país...e vin a capacidade, a enerxía, a disposición que tiña a xente, eu estiven en Bruxelas con mariscadoras, mariñeiros, con patróns de pesca, con artistas, temos falado con comisarios europeus, temos falado con eurodeputados, vin a capacidade da xente, e teño estado no meu país na frente de combate en todos os sentidos, hai un factor de auto-organización, somos máis dispostos os galegos do que nos contan os demais, o que pasa é que sempre contan a historia os demais, non nós. "Non se pode ser un galego orgulloso sendo un provinciano submetido a Madrid. Nós non imos saír na Sexta, non imos saír na Cadena Ser" Entón eu aprendín alí cousas e tamén as aprendín participando no debate político español, eu intentei apurar até o máximo as posibilidades dunha España democrática, participei nese proceso, nos intentos de recoñecimento de Catalunya, o seu encaixe, no debate sobre unha España federal, pero cheguei ao fin, vin os límites. -Zapatero era o tope? Era o tope do que se podía conseguir en España? -Fóra do seu proxecto económico, o da socialdemocracia que xa se viu o límite que tiña, Zapatero tentou levar até o final dous aspectos do proceso político español iniciado no 78. Primeiro, o proxecto da memoria histórica, o intento de que España tivese unha memoria partillada por vencedores e vencidos. Foi boicotado pola dereita españolista. E o outro proxecto foi o do recoñecimento da plurinacionalidade, Zapatero chegou a dicer que o conceito de nación [española] era discutíbel...Foi boicotado pola dereita e polo aparato españolista do PSOE, polo poder político madrileño...Aí vin que hoxe non existe España, só existe Madrid e o que hai é Madrid e as súas provincias. Constatei chegado a un punto que o meu país desaparecía. Por un lado, a incapacidade do nacionalismo galego para hexemonizar a nosa sociedade. Por outro, a madrileñización absoluta de España. O sistema radial do AVE. A concentración de todo o poder financeiro e mediático en Madrid. E logo España estaba en crise polo proceso político catalán e aí eu vía que o meu país desaparecía. Todo o debate era a Porta do Sol. O meu país desaparece e eu non teño máis país que este. A min quixéronme botar do meu país. A min quixéronme botar do meu país. Non podo entrar a detallar incluso de que modo se chegou a atentar contra a miña economía familiar e contra a min persoalmente. Pero eu non quixen marchar de aquí. Entón eu non teño outro país que non sexa o exilio e vexo que o meu país desaparece e que voltamos a ser catro putas provincias, iso foi o que me levou a min a repregarme e a oferecerme a ir nunha candidatura co BNG cando eu non partillaba o seu proxecto político, cando eu fun sempre consciente das súas insuficiencias e isto é o que me leva a partillar agora a ilusión con outra xente de que imos crear unha candidatura nacional galega soberana que só pode ser unha candidatura cun programa social na Galiza, non pode ser doutro xeito, unha candidatura que reivindique outro lugar para o campo, para os sectores produtivos, unha candidatura que defenda a nosa cultura, a nosa lingua nacional, e o noso dereito a sermos nós no mundo. Eu non son madrileño de terceira categoría. Teño amigos madrileños marabillosos, pero eu non o son e o meu destino non é ese. Incluso como escritor a miña opción nunca foi esa. Tomei unha opción. Podía ter sido escritor noutras linguas. Todos os meus intereses están aquí. -Botas de menos máis compañía. Persoas do teu perfil? -Xa os botei de menos para defender Catalunya. Xa os botei de menos para defender unha España federal. E desde logo non entendo como non sae en tromba toda persoa que se sinta galega con orgullo e con dignidade. Non se pode ser un galego orgulloso sendo un provinciano submetido a Madrid. Nós non imos saír na Sexta non imos saír na Cadena Ser. Pero é que nós vivemos aquí e o noso destino está aquí. Temos que construír aquí. Xa sairemos se temos forza. Ora, quen nos debilite, quen nos divida, seguirá impedindo que existamos e que podamos impoñer a nosa presenza. Nós temos que impor a nosa existencia. Aquí xa hai experiencias anteriores. O PSG rompeu e marcharon para o PSOE. De que lle valeu a Galiza? De que lle valeu aos galegos? Ao noso campo, á nosa cultura, ás nosas empresas, á nosa xuventude? De que lle valeu que esa xente do PSG emigrase para o PSOE? De que lle valeu? De nada. -Para o carreirismo de algúns si valeu. -Si, para algúns facer as súas carreiras, para máis nada. Nós non imos saír nos meios de comunicación españois que conscientemente vertebran unha España madrileña. Nós temos que ser a soberanía galega. Temos que aparecer no Parlamento. Imos aparecer alí pero como a representación soberana do país. Cun programa solidario, social, pero desde aquí. -Á hora de confeccionar unhas candidaturas ao Congreso, a túa preferencia sería a de enviar representantes con currículos políticos ou apostar en notábeis... "Aquí xa hai experiencias anteriores. O PSG rompeu e marcharon para o PSOE. De que lle valeu a Galiza? De que lle valeu aos galegos?" -Temos capacidade numericamente para conseguirmos un grupo parlamentario de entre 6 e 8 deputados. Isto é algo obxectivo. Son números. Quen poña dificultades a ese grupo parlamentario é alguén simplemente que nos vai dificultar iso. Mais iso é posíbel. Estámolo construíndo. O único que nos podemos atopar en frente son dificultades, mais non dificultades sociais, á sociedade se se lle ofrece isto veríao cun grande caudal de ilusión, frente a isto as resistencias son de partidos políticos existentes, non son da sociedade. Segunda cousa, cal sería o perfil? Eu creo que habería que mirar a capacidade política, persoal. Non necesariamente o currículo. E desde logo non fío en absoluto nas figuras históricas tradicionais. Creo que sería neste momento o peor reclamo. Terían que ser persoas que partillasen un programa social e nacional galego e que tivesen capacidade. Que tivesen inteireza. Hai que enviar alí persoas con personalidade propia. E dicer, eu creo nos liderados persoais. Teño tropezado con argumentos de que "o importante é o aparato, os equipos". Non, non, non: tamén o son as persoas. Fai falta liderado persoal. A capacidade individual. Eu creo nos individuos. -Que esperas da reunión do día 12? [encontro das iniciativas sociais pola unidade] -Eu espero que comprendan que o que están falando non son cousas deles, que falen con perspectiva história. O asunto é que é o que nos van ofrecer a este país. E este país non somos os que se xuntaron nunha candidatura, en dúas ou tres, ou nun grupo, ou nun manifesto ou nun banquete, non somos eses, eh! Vannos ofrecer un grupo parlamentar a este país nunhas Cortes que serán constituíntes ou non nolo van oferecer...? Esa é a pergunta que teñen que contestar, non hai outra. -Xa para rematar. Estás tendo moito activismo na cuestión catalá e aí hai unha evidencia: o deserto de voces críticas no Estado. Quitando o caso de Ramón Cotarelo, non me consta ningún outro intelectual a defender os dereitos nacionais de Catalunya... -Iso xa o vivín antes. Partillei correntes e organizacións polo federalismo do Estado e non houbo nunca interese ningún. Por un motivo moi sinxelo: por intereses. Home, claro, quen ten os intereses radicados en Madrid e a súa expectativa canalizada através da política, do Estado ou dos medios de comunicación madrileños, non ten interese ningún en criar poderes e espazos nacionais distintos; ao contrario, se eu ao que aspiro é a prosperar nos medios de comunicación madrileños, se ese é o meu horizonte persoal ou profesional, na política madrileña, nos negocios madrileños, nas universidades madrileñas, nas estruturas de poder de Madrid, pois non ten sentido que me comprometa con Catalunya, é algo co que podo dicer: si estou de acordo, pero non me vou comprometer con iso. Realmente, ao final eu dábame conta de que só tiñamos intereses niso uns poucos cataláns, algúns vascos e dous ou tres galegos. Esa é a miña experiencia vital. Sobre as persoas que poderían facer parte das candidaturas: "Desde logo non fío en absoluto nas figuras históricas tradicionais. Creo que sería neste momento o peor reclamo" Eu intenteino todo. Estou aquí de volta. Cheguei ao fin do camiño. Como chegou o intento de Zapatero de intentar que o proceso político do 78 fose un proxecto no que encaixasen todas as persoas que vivimos no Estado. Iso chegou a un final. Eu son parte diso. Eu intenteino. Eu quería unha Galiza recoñecida como nación dentro do Estado se fose posíbel. Por un problema moi simples: polos menos costes, pola maior rendibilidade e os menos costes. Non é que eu deixase de imaxinar o meu país do mesmo modo. Simplemente é que en cada momento dis ti: que é socialmente o que dá máis renda e ten menos costes? Neste momento, o único que non dá renda é seguir coa sumisión a Madrid, é reforzar as estruturas de sumisión a Madrid. Iso é o único que non dá renda. Calquera reforzo desas estruturas é facerlle dano ao meu país, ás nosas vidas. -Porén, hai segmentos do nacionalismo que defenden a confluencia con sectores da esquerda española. -Ben, eu entendo que a esquerda de matriz española asuma a perspectiva nacional galega, non ao revés. Ou sexa. Para esa viaxe non fan falta alforxas. Iso xa se fixo cando o PSG entrou no PSOE e fixeron o PSdeG. Iso xa está feito. Esa vía xa está feita. Iso xa está andado. O máis vello que hai é o provincianismo e a sumisión. Iso é o máis vello que hai.
NOS_18011
O programa xira arredor das persoas migrantes. Dous días de música, cine e moita poesía no XXIX Festival da Poesía no Condado que se desenvolve en Salvaterra do Miño nos días 4 e 5 de setembro.
A defensa das persoas migrantes e a denuncia das causas que levan a ter que abandonar a terra propia son o eixo arredor do que xiran as múltiplas propostas do programa do XXIX Festival da Poesía do Condado organizado pola Sociedade Cultura e Desportiva que se desenvolverá en Salvaterra do Miño dos 4 a 5 de setembro. Proxección de curtametraxes seleccionadas polo Cineclube de Compostela sobre a inmigración e abertura da exposición do fotógrafo Xosé Quiroga e a presentación do libro "Realidades Cercanas" do tamén fotógrafo Gabriel Tizón abren a sexta feira, 4 de setembro, un programa que tamén incluirá a presentación do proxecto "Videocartas Galiza-Berlín". Noite nas Minas A "Noite nas Minas" comeza nesa mesma primeira xornada a partir das 22:00 co poeta e tradutor Isaac Xubín que recitará textos do escritor vasco Joseba Sarrionandia nunha sesión na que o Cuarteto Caramuxo porá a música. Un pasarrúas con Punkiereteiras dará a saída na mañá do sábado ao Festival de Poesía que inclúe nesa xornada un Aberto de Billarda organizado pola Liga Nacional de Billarda, a feira dos colectivos e artesanía e a presentación do proxecto "A vila é puro teatro" da asociación As brétemas. Por volta das 13:00 a organización preparou unha mesa de debate sobre as migracións coa intervención do fotógrafo Xosé Quiroga, a representante do Foro Galego de Inmigración, Susana Beatriz e Beatriz Monteagudo por parte do colectivo Voltar á Terra. Polo serán desenvolverase a festa infantil con Fran Amil e o seu "Chuches Amil" para logo Xurxo Souto presentar o seu libro "Contos do mar de Irlanda". A proxección das curtas premiadas no viciño Festival de Cans pechará a xornada de tarde. Recital colectivo e música Un dos momentos centrais será o festival de música e poesía que comeza ese sábado ás 20:00 que será presentado por Esther F. Carrodeguas nunha sesión na que participarán poetas como Alba Cid, Augusto Fontám, Alexandre Insua, Lara Rozados, Isabel Blanco Rivas, Rosalía Morlán, Eduard Velasco e Mª José Fernández xunto cos vascos Jon Benito e Xabi Borda e o portugués Alexandre Sá. Caxade, Ataque Escampe e os Festicultores da parte galega e Pega Monstro e os Irmaos Makossa da portuguesa porán a música do festival.
NOS_95
O prezo da vivenda nova aumentou un 3,2% na Galiza no primeiro semestre do ano, segundo o Estudo de Mercado de Vivenda. A Sociedade de Taxación realizou unha comparativa do prezo da vivenda entre a Galiza, Asturias, Cantabria, Euskadi e Nafarroa. Desa análise despréndese que na nosa nación é onde mais se incrementou o prezo, situándose o custo medio do metro cadrado en 1.602 euros.
Durante o primeiro semestre de 2019 o prezo da vivenda nova incrementouse na Galiza nun 3,2%, segundo o Estudo de Mercado de Vivenda. Nunha comparativa realizada con Asturias, Cantabria, Euskadi e Nafarroa, a nosa nación despunta como o territorio onde máis medrou o prezo, situándose o metro cadrado en 1.602 euros de media. O documento realizado pola Sociedade de Taxación sinala que o prezo dunha vivenda nova de tipo medio aumentou tanto na Galiza como no terzo norte do Estado español, mais o noso país encabeza as posición cun incremento dun 3,2% respecto a datos de hai un ano (xullo de 2018), situándose o custo medio do metro cadrado en 1.602 euros o metro cadrado. A Galiza é quen máis experimenta este incremento, seguida de Euskadi cun 2,7% e 2.693 euros o metro cadrado, Nafarroa cun 2,5% e 1.891 euros o metro cadrado, Cantabria cun 2,3% e 1.840 euros e Asturias, cun 2,1% e 1.588 euros. Na Galiza diminúe o Índice de confianza inmobiliaria que analiza o estudo, pasando do 54,7 a 54. En canto á variación dos prezos por metro cadrado nas principais cidades galegas, Pontevedra sitúase á cabeza do aumento, cun 5,2% de incremento respecto ao mes de xullo de 2018 e 1.325 euros por metro cadrado. Séguena A Coruña, cun 3,5% de aumento e 1.786 euros por metro cadrado, Vigo cun 2,8% e 1.526 euros, Santiago, onde os prezos crecen un 2,6%, até 1.536 euros; Ourense onde aumenta nun 2,1% e 1.550 euros e Lugo que sobe un 2,1% e 1.436 euros. Na Galiza diminúe o Índice de confianza inmobiliaria que analiza o estudo, pasando do 54,7 a 54. En canto ao denominado como Índice de esforzo inmobiliario, co que se analiza o número de anos de salario íntegro que unha persoa "con ingresos medios" necesita destinar á compra dunha vivenda "de tipo medio", a Galiza despunta nos primeiros postos en canto a maior esforzo se precisa, situándose a media en 7,2 anos, fronte ao 6,8 do pasado ano. A Galiza despunta nos primeiros postos en canto a maior esforzo salarial se precisa para mercar unha vivenda O Índice de accesibilidade á vivenda, que analiza a relación entre a capacidade adquisitiva real dunha persoa e o teórico necesario para a adquisición dunha vivenda, tamén empeora na Galiza, descendendo desde 109 a 107 puntos, mentres no Estado mellora. A Sociedade de Taxación publicou a nova edición do Mapa do 'Tempo Urbanístico', onde ofrece unha visión global da situación do mercado do chan. Segundo o estudo, a actividade nas transaccións de chan segue centrada nas principais cidades, sobre todo na Coruña, Santiago e Vigo. "Destaca a situación da Coruña, onde se consolida a aparición de novas promocións e, por primeira vez, apréciase que este dinamismo comeza a estenderse a certas localizacións da súa área metropolitana", indica a Sociedade de Taxación. En Vigo, comézase a apreciar "certo interese" polo desenvolvemento de chans industriais-comerciais en "boas localizacións".
NOS_19203
Tamén trasladará á Cámara unha iniciativa na que pide que se limiten os horarios de casinos, salas de xogos e casas de apostas para evitar que sexan unha alternativa de ocio para a mocidade.
A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil,compareceu esta quinta feira publicamente para reclamar a convocatoria urxente dun pleno extraordinario no Parlamento galego no que afrontar o impacto que terán na situación sanitaria, económica e social as novas restricións que afectan a toda Galiza, singularmente, as da capital galega e outras localidades. "Vemos con preocupación como están a evolucionar os datos, o aumento do número de contaxios, a transmisión comunitaria e a presión asistencial e o número de persoas falecidas", apuntou a dirixente nacionalista, que urxe a convocatoria para a semana vindeira. O BNG motiva esta proposta na necesidade de encarar todas as vertentes da crise. Nese sentido, Rodil lamentou lamentar as 11 mortes da pasada cuarta feira, das que seis son persoas usuarias da residencia de Os Gozos, en Pereiro de Aguiar, e volveu pedir "blindar" todas as residencias e a intervención pública en todas. "Temos que ir máis aló dunha sucesión de anuncios que se van adoptando dun día para outro e optar por unha visión de conxunto no que as forzas políticas fagamos propostas", sinalou, e tamén pediu coñecer "os datos en profundidade e detalle" da evolución da pandemia. No ámbito sanitario, tamén reclamou que non se descoiden as outras enfermidades e avisou de que "non se poden aprazar" as intervencións sanitarias para outras doenzas. Salas de xogo e apostas Por outra banda, o BNG anunciou unha iniciativa, que trasladará ao Parlamento galego, na que advirte que as salas de xogo e apostas e os casinos comezan a representar "unha alternativa ao lecer nocturno" polo seu horario, en especial para os mozos, ao ter un horario máis amplo que o da hostalaría. Segundo avanzou a deputada Carmela González, a fronte nacionalista demandará limitar o horario de salas de xogos e apostas, dentro das medidas de control da pandemia e proporá articular medidas de lecer alternativas a estes locais para evitar a afluencia de mocidade. Política Agraria Común Ademais, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, reivindicou que Galiza non debe saír "prexudicada" na repartición da Política Agraria Común (PAC) para o próximos sete anos, que se atopa en período de negociación, e reclamou que manteña "a mesma" porcentaxe de fondos agrarios europeos na repartición que se faga para o período 2021-2027.
PRAZA_18349
A partir de decembro cobrarase entrada por acceder a esta obra cumio da arte románica. A Catedral de Santiago recibiu nos últimos anos 17 millóns de euros de cartos públicos para as súas obras de restauración e 6 millóns da Fundación Barrié para as actuacións que serviron para preservar o Pórtico IMAXES | Finaliza a restauración do Pórtico da Gloria, que permite aprecialo con todas as súas cores
A decisión da Catedral de Santiago de cobrar por visitar o Pórtico da Gloria fixo agromar nas últimas semanas a polémica sobre o acceso aos bens patrimoniais e, ademais, sobre o financiamento da Igrexa Católica. As obras de restauración e conservación da Catedral de Santiago recibiron nos últimos anos 17 millóns de euros por parte das distintas administracións públicas, co obxectivo que completar unhas actuacións que rematarán aínda no ano 2020. Así mesmo, a Fundación Barrié achegou uns 6 millóns de euros que serviron especificamente para os traballos de restauración do Pórtico da Gloria, finalizados este verán, e que lle devolveron á magna obra do Mestre Mateo o seu esplendor e cores orixinais. A partir do mes de decembro, a entrada ao Pórtico terá un custo de 10 euros (8 euros para persoas desempregadas e outros colectivos) e permitirá participar nunha visita guiada de 45 minutos en galego, castelán ou inglés, en grupos de 25 persoas como máximo. Os grupos escolares pagarán 2 euros por neno ou nena. Ademais, existirá un billete combinado que por 12 euros (10 con tarifa reducida e 3 para grupos escolares) incluirá tamén a visita á Colexiata do Sar e ao Museo Catedralicio. O ingreso ao resto da Catedral de Santiago continuará a ser libre.Dende a Fundación Catedral destácase que os cartos que se recaden servirán para "facer fronte á conservación e mantemento do Pórtico" e aseguran que "nin un só euro irá a parar á Igrexa"Dende a Fundación Catedral destácase que os cartos que se recaden servirán para "facer fronte á conservación e mantemento do Pórtico" e aseguran que "nin un só euro irá a parar á Igrexa". Defenden que o pasado ano as entradas ao Museo Catedralicio xeraron uns ingresos de 1.274.942 euros e que os custos de mantemento deste espazo ascenderon a unha cantidade equivalente: 1.266.358. "E o mesmo sucederá cos cartos que se recaden polas visitas ao Pórtico da Gloria", sinalan. A Fundación Catedral calcula que o Pórtico será visitado por unha media de 475 persoas cada día, o que xerará uns ingresos de case 5.000 euros diarios, uns 1,8 millóns de euros anuais.Porén, as explicacións do cabildo compostelán non contentaron ao BNG, que foi moi crítico co feito de que a Catedral cobre polo acceso ao espazo restaurado. "O Pórtico non se pode converter nunha máquina de facer cartos para a Igrexa Católica", destacou a formación nacionalista, que subliña que "despois das cantidades de diñeiro público que se investiron, entendemos que a Xunta algo ten que dicir".Mentres, o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega (Compostela Aberta) sinalou que o cobro de entrada pode estar xustificado sempre que os cartos ingresados sirvan para asegurar a conservación do Pórtico e puxo como exemplo a proposta de taxa turística que o defende o seu Goberno municipal, e que busca que turistas e visitantes contribúan ao mantemento do casco histórico e dos servizos públicos que tamén reciben. Noriega pediu, así mesmo, que se amplíen os períodos de visita gratuita para as persoas residentes en Santiado de Compostela. A proposta inicial da Fundación é que poidan entrar de balde dous grupos de composteláns todos os domingos á tarde, ás 18:30 horas e ás 19 horas, o que representa 50 persoas por semana. De igual forma, na última semana de setembro a Comisión de Cultura do Parlamento Galego aprobou por unanimidade unha proposición non de lei do PSdeG-PSOE para solicitarlle á Igrexa que abra o Pórtico da Gloria e as catedrais de Mondoñedo, Ourense e Tui sen cobrar entrada un mínimo de 4 días ao mes durante 4 horas. A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, lembrou que así o obriga a Lei de Patrimonio. A responsable socialista denunciou "unha situación de absoluta inxustiza que a Xunta tolera porque lle tolera todo á Igrexa" e puntualizou que "non se pode tolerar que incumpran a Lei de Patrimonio".80.000 visitantes en menos de 2 meses para ver as cores orixinais do PórticoO pasado mes de xuño remataron os traballos de restauración do Pórtico da Gloria iniciados hai tres anos co obxectivo de protexer a obra, moi deteriorada, e recuperar o seu aspecto orixinal. Os traballos permitiron estabilizar o conxunto e preservar a policromía que aínda se conserva dun risco inminente de perda definitiva, protexéndoa para futuras xeracións. Tamén supuxo unha oportunidade de excepción para profundar no coñecemento desta obra e da arte románico en xeral, así como nos procesos de deterioración que afectan os conxuntos de pedra policromada.Nos menos de dous meses que o Pórtico puido ser visitado -de forma gratuíta- tralo remate destes traballos (dende o 27 de xullo ata o 18 de setembro), case 80.000 persoas accederon ao espazo (en quendas de 15 minutos, unicamente), dando lugar a longas ringleiras que se estendían pola Praza do Obradoiro, ante a imposibilidade de reservar a entrada previamente.
PRAZA_5749
O nacionalismo ten pleno dereito a recrear a súa propia sociedade e a reivindicar o seu esforzado compromiso cos movementos sociais nos que se inserta e ata enrocha, pero a sociedade civil, a enerxía cívica, a conciencia do país, transcende ese segmento e hoxe, en moitos casos, dálle as costas porque non se recoñece nel
Por que a crise provoca en Catalunya un reforzamento do nacionalismo e en Galicia unha implosión de tan difícil recondución? Poderíamos pensar nos déficits das estruturas partidarias e as súas culturas políticas e ata nas traxectorias e compromisos das respectivas "burguesías", nas historias recíprocas, en fin, en mil e un factores, etc., pero unha das claves esenciais é a sociedade civil, algo que en Galicia é residual mentres en Catalunya é unha realidade viva, dinámica, conectada, comprometida, en fin, admirable en tantos sentidos. O nacionalismo, que foi o grande motor da mobilización social nos anos finais do franquismo, acabou por facer de todo unha correa de transmisión e de todo canto se afastara diso, un problema e un desafío á súa certeza Iso é asi en Galicia, en boa medida, porque o nacionalismo, que foi o grande motor da mobilización social nos anos finais do franquismo, acabou por facer de todo unha correa de transmisión e de todo canto se afastara diso, un problema e un desafío á súa certeza. Esa concepción "orientadora" e en grande medida utilitarista de canto se move, que leva a apreciar o que forma parte da súa rede e a ignorar tantas veces o que non, impide unha relación normalizada e respectuosa capaz de arbitrar sinerxías de valor mutuo. Esa é a clave do cambio para que o nacionalismo con capacidade de ser alternativa non se esgote na xeración que foi quen de relanzalo despois da guerra civil e o franquismo senón que prenda novamente nos afáns das novas comunidades que hoxe, mesmo no progresismo e no galeguismo, se afastan del. Hoxe debe abordar unha reflexión profunda sobre o seu estado e as súas capacidades para sumar e definir obxectivos compartidos, tendendo pontes con esa ampla colectividade que non soporta tanto cinismo do poder O nacionalismo, non só as organizacións políticas nacionalistas, segue a ser a principal forza transformadora en Galicia, realmente asentada nas raíces do propio país, pero hoxe debe abordar unha reflexión profunda sobre o seu estado e as súas capacidades para sumar e definir obxectivos compartidos, tendendo pontes con esa ampla colectividade que non soporta tanto cinismo do poder, que cre no país pero non nun liderado esgotado nas súas formas e tempos. O que en Catalunya explica o non retorno do proceso soberanista non é só o compromiso dos partidos nacionalistas senón a existencia dunha ampla e forte sociedade civil Ou o nacionalismo acaba por arbitrar unha relación non soberbia coa sociedade civil creativa (e non só a reactiva), recoñecendo que non todo canto obedece á súa disciplina é potencialmente adversario –ou peor, inimigo- e mesmo é quen de estimular a conciencia a independencia dos actores como un valor positivo e irredentista a fomentar, ou cabe imaxinar que o longo e ancho camiño cara a marxinalidade será difícil de evitar. O que en Catalunya explica o non retorno do proceso soberanista non é só o compromiso dos partidos nacionalistas senón a existencia dunha ampla e forte sociedade civil que hoxe é quen de transcender mesmo a vontade dos partidos para condicionar ata os seus posicionamentos. É unha ampla masa social organizada, unha sociedade-area que permite a confluencia de militancias varias, na súa inmensa maioría non partidarias, pero capaces de converxer. Autoconvencerse de que se está na remontada e non prestar debida atención á conformación dunha auténtica sociedade civil e a rachar cos tópicos dunha cultura política en grande medida obsoleta, non achega credibilidade Sen sociedade que sustente o nacionalismo, a día de hoxe, calquera crise deste provoca un descalabro de proporcións dificilmente superables. Autoconvencerse de que se está na remontada e non prestar debida atención á conformación dunha auténtica sociedade civil e a rachar cos tópicos dunha cultura política en grande medida obsoleta, non achega credibilidade. Por mais que se exhiban as conexións cos problemas da sociedade e os movementos reivindicativos que xera, hoxe non é suficiente para crear política nova, para formular propostas en positivo, para xerar dinámicas atraentes que acheguen outras lecturas produto dunha vangarda alternativa que aflora desde abaixo. O nacionalismo ten pleno dereito a recrear a súa propia sociedade e a reivindicar o seu esforzado compromiso cos movementos sociais nos que se inserta e ata enrocha, pero a sociedade civil, a enerxía cívica, a conciencia do país, transcende ese segmento e hoxe, en moitos casos, dálle as costas porque non se recoñece nel, traducíndose esa situación nunha multiplicidade fragmentadora, e por veces encanallada, que impide calquera avance. Os ocos deixados son aproveitados por outros. Aumentarán en caso contrario os nacionalistas cívicos orfos, que non terán forzas políticas a quen votar, nin con quen comprometerse Aumentarán en caso contrario os nacionalistas cívicos orfos, que non terán forzas políticas a quen votar, nin con quen comprometerse, se ben poderán construír país modestamente desde o seu ángulo, dende a súa leira, agardando contribuír á xeración da masa crítica precisa que alente o cambio que o nacionalismo organizado non é quen de propiciar. Pero farano tamén desde certa sensación de impotencia, de esforzo pouco rendibilizado e mesmo laiándose de tanta "recompensa" co desdén.
NOS_45013
Acadar unha maior implicación no proceso de normalización lingüística é o obxectivo do curso de verán que a Universidade da Coruña máis a CTNL organizan os días 17,18 e 19 de xullo en Carballo con especialistas de Cataluña, Madrid, O Salvador, Euskadi e Galiza.
Animar o proceso de normalización lingüística coa implicación en procesos e proxectos sociais é o fin do curso que do 17 ao 19 de xullo organizan a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística xunto coa Universidade da Coruña e o Concello de Carballo. Especialistas e representantes de distintas iniciativas que contribúen á normalización da lingua danse cita nun programa especialmente acaído para activistas, responsábeis de asociacións, entidades e colectivos ou equipos de normalización. Os temas que o curso ofrece van desde as posibilidades de afondar na democracia implicativa, a posta en marcha de iniciativas de dinamización, as potencialidades do xogo para a implicación e o que presentan como o paso de "as portas están abertas" a "este proxecto é teu". Convidada a participar no curso está a arquitecta salvadoreña Alicia Tence, da Rede Cimas, que será a encargada da conferencia inaugural sobre métodos e estratexias de implicación. Experiencias como Sonda Norte, con Xavier Campos, Rede de Entidades Amigas da Lingua, por medio de Conchi Cochón, a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, a través de Paco Veiga ou Implicadas no Desenvolvemento coa súa presidenta Ania Piñeiro danse cita para dar conta das posibilidades da dinamización social xunto co contador Celso F. Sanmartín o dinamizador en material de lingua Bernardo Penabade ou o crego Rubén Aramburu. De Euskal Herria chegará o técnico da cooperativa vasca Emun, Txerra Rodríguezz para falar da immplicación no traballo dinamizador e de Madrid, o coach Carlos Martínez que presentará as posibilidades do "xogo serio". Trátase da novena edición do cursode verán sobre dinamización lingüística e leva como lema "Traballando na lingua: participación, implicación e traballo colaborativo". O prazo de matrícula está aberto ata o 11 de xullo na web da Universidade da Coruña.
NOS_19272
Actos de "homenaxe e agradecemento" nas sedes das Deputacións.
As Deputacións de Pontevedra e de Lugo deron a benvida, con todos os honores, aos representantes galegos nos Xogos Paralímpicos de Toquio 2020. Foi en senllos actos desenvolvidos esta cuarta feira, coa presenza dos protagonistas e de representantes institucionais. Sodes "as verdadeiras heroínas e heroes desta sociedade. Sodes o mellor que temos [...] Facedes que o imposíbel se converta nunha realidade", manifestaba a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. O recibimento tivo lugar na Sala Rosalía da sede viguesa do ente, cun "Grazas" xigante presidíndoa en homenaxe e agradecemento aos dez deportistas dos concellos pontevedreses (dos 16 da expedición galega) que participaron nos Xogos. No acto proxectouse un vídeo de presentación dos atletas. Silva salientou o "enorme sacrificio" que hai detrás destes deportistas e amosou a súa admiración por todas as persoas que practican deporte. Tamén fixo un recoñecemento especial ao papel das mulleres no deporte, "que o teñen moito máis difícil", e destacou os que levan xa varias paralimpíadas ás costas, como é o caso do vigués Chano Rodríguez. O nadador sinalou que "chegar aquí non só e un esforzo físico, senón económico, e Galiza e Pontevedra están a avanzar a pasos axigantados neste senso". Coincidiu Gustavo Nieves, diploma en atletismo: "Falando con outros compañeiros démonos conta de que o apoio que recibimos aquí e maior que o doutros sitios". Susana Rodríguez, medalla de ouro en tríatlon e diploma en 1.500 metros, recalcou o papel da figura dos deportistas de apoio, reclamando que "se vaia tratando por igual, porque sen eles, as persoas con diversidade funcional visual non poderíamos adestrar". Referente deportivo galego Tamén en Lugo, a vicepresidenta da Deputación e o deputado de Deportes recibiron hoxe no Pazo de San Marcos a atleta lucense Adiaratou Iglesias, campioa paralímpica de 100 metros lisos e subcampioa de 400. A recepción de Maite Ferreiro e de Efrén Castro repítese tres meses despois da anterior, daquela polos éxitos conseguidos no Campionato de Europa. "As medallas na cita olímpica ratifican a Adi Iglesias como unha das grandes referentes do deporte feminino en Galiza", afirmou Ferreiro. Iglesias estivo acompañada polo seu adestrador Adolfo Vila, veterano na formación de velocistas en Lugo. "Queremos pór en valor o esforzo e a constancia que require chegar ao máximo nivel competitivo e tamén a importancia de clubs e estruturas de base que faciliten o acceso ao deporte e acompañen e apoien as atletas no seu crecemento", afirmou.
NOS_42345
Vox presentou unha proposta no Congreso para garantir o estudo en exclusiva en español, aludindo á "imposición do galego". Néstor Rego, deputado do BNG, demostroulles cal é a lingua imposta e cal non, desmontando o discurso españolista ao falar en galego e a presidenta do Congreso retirarlle a palabra.
Vox pediu por medio dunha proposición non de lei no Congreso que o Goberno estatal garanta "o dereito dos españois a estudar exclusivamente" en castelán, contra o que consideran "a imposición" na escola do galego, euskera e catalán. En cuestión de segundos, Néstor Rego, deputado do Bloque Nacionalista Galego na Cámara Baixa, demostrou cal é a lingua imposta e cal non, e foille retirada a palabra. O debate na Cámara non valeu para que Vox sacase adiante a súa proposta pero si para desmontar o falso discurso da imposición lingüística do galego sobre o español que axita a dereita e o españolismo. "Na Galiza levamos máis 500 anos de políticas forzadas de asimilación lingüística exercidas como dicía Castelao con toda clase de argucias e violencias e, a pesar diso, a nosa lingua continua viva, argumentaba Rego en galego desde o atril do Congreso cando foi interrompido pola presidenta da Cámara, Meritxell Batet para que se expresase en castelán. Que doado é demostrar que lingua é a que se impón no Estado español.@NestorRego faino en menos dun minuto! ☺️🤷♀️#QueremosGalego pic.twitter.com/uHSOXPIUcR— BNG (@obloque) November 17, 2020 "Fano ademais apoiándose nunha grande mentira. A da imposición lingüística", continuou Rego expresándose en galego. A presidenta volveu chamar a atención, ameazando con retirarlle a palabra. "Que eu non poida falar hoxe aquí na lingua do meu pobo demostra..." dixo Néstor cando Batet lle apagou os micros, sen deixarlle rematar a frase, na que aludía que o a retirada da palabra a un deputado por falar en galego exemplificaba cal é a lingua imposta e cal non. Tamén Batet apagou os micros ao deputado da CUP, Albert Botrán, por expresarse en catalán.
PRAZA_10071
A grande recesión última, da que aínda non saímos definitivamente, converteu a España nun dos estados europeos con maior nivel de desigualdade e pobreza, maiores índices de desemprego e precariedade, maiores desequilibrios territoriais e con un estado de benestar dos mais deficitarios.
O triunfo electoral do PSOE abre a porta a un goberno de centroesquerda en España. Non cabe dubidas de que, dende unha perspectiva democrática, si a "derrota" do trifachito (PP, Cs, Vox) foi unha grande nova para España e, xa que logo, para Galicia o triunfo do PSOE é unha imporante vitoria da socialdemocracia española en xeral e de Pedro Sánchez en particular. Teñen motivos para estar satisfeitos e felices. Outra cousa son as expectativas xerais e o que poden esperar do novo goberno, por caso, as clases populares galegas e españolas.A grande recesión última, da que aínda non saímos definitivamente, converteu a España nun dos estados europeos con maior nivel de desigualdade e pobreza, maiores índices de desemprego e precariedade, maiores desequilibrios territoriais e con un estado de benestar dos mais deficitarios. A causa: as políticas públicas aplicadas durante todos estes anos. Velaí unha das primeiras e mais urxentes medidas a adoptar pola novo goberno si de verdade pensa en mellorar o benestar das clases populares: reverter as políticas públicas que se viñeron aplicando durante os derradeiros tempos.Reversión que atinxe practicamente a tódolos instrumentos da política macroeconómica: fiscal, monetaria, laboral, comercial e internacional. Cambios, algúns dos cales, están pendentes dende fai décadas. Cambios que son demandados pola maioría dos axentes sociais liderados polo movemento sindical.A nivel fiscal España é hoxe por hoxe un dos estados europeos con maior nivel de fraude fiscal, menor nivel de presión fiscal e mas grande desigualdade. Con unha economía somerxida equivalente ao 20% do PIB (15% de media na Unión Europea) que supón,, segundo voces autorizadas (GESTHA), unha perda de recadación estimada en 70.000 millóns de euros (6% do PIB), España está situada entre os estados europeos con maior índice de fraude fiscal e, xa que logo, mais necesitado de combatela con eficacia. Un combate que precisa tanto de dotar a Axencia Tributaria española de maiores medios (orzamentarios, recursos humanos, técnicos e informáticos) como dunha efectiva descentralización e unha eficaz coordinación coas Axencias Autonómicas co obxectivo de situala fraude fiscal, cando menos, nos niveis medios europeos. A segunda medida relevante debe ser reducila grande desigualdade que no trato fiscal teñen as rendas do traballo e as rendas de capital e introducir unha meirande progresividade no sistema. Si as rendas do traballo supoñen o 47,5% da riqueza nacional aportan, nembargante, o 85% dos ingresos fiscais por IRPF (quen, a súa vez, supoñen o 45% dos ingresos públicos) dado o trato de privilexio fiscal que en España disfrutan as rendas de capital e moi especialmente as grandes fortunas (IBEX35). Asemade debese poñer punto e final a privilexios fiscais inaceptables como, por caso, os da airexa católica e os do capital financeiro. Polas razóns sinaladas a reforma fiscal debe ser, sen dúbidas, unha das prioridades do novo goberno. A crise financeira trouxo aparellada a desfeita da maioría das caixas de aforros co conseguinte impacto a nivel monetario reflectido, por caso, na caída do crédito as familias, as pemes e ao comercio polo miúdo. Un impacto que repercutiu na demanda interna favorecendo a grande recesión. Compre, xa que logo, unha recuperación do sistema bancario que ha de partir da creación dunha banca pública que garante aos axentes económicos a dispoñibilidade de crédito. Unha banca que debe verse acompañada co impulso de entidades financeiras de pequeno tamaño especializadas na microfinanciamento.Un dos problemas macroeconómicos mais relevantes en España é, sen dúbidas, a situación a nivel laboral: o elevado desemprego e a crecente precariedade laboral. Con taxas de desemprego tan elevadas (14%), moi por riba da media comunitaria (6,5%), resulta indiscutible que o mercado laboral español precisa con urxencia de regulacións moi diferentes as aprobadas nos derradeiros anos. Precisa, por caso, derrogar as reformas laborais aprobadas polos gobernos anteriores (PSOE e PP) para enfocar o problema do emprego cunha perspectiva distinta da neoliberal. Así precisa incrementarse aínda mais o SMI, reducir o abano salarial subindo os salarios mais baixos, recuperar a negociación colectiva e o papel interlocutor dos sindicatos –cara a negociación dun pacto que permita incrementar a participación dos salarios na riqueza nacional- endurecelos despedimentos (España é un dos estados europeos onde mais fácil e barato é o despedir traballadores/as), impulsar unha real igualdade de xénero e melloralas prestacións aos traballadores desempregados. Compre xa, como así avalan numerosos estudios, ir reducindo tanto a xornada laboral e a idade de xubilación como blindalo sistema público de pensións.Como sinalei nalgún artigo anterior o comercio polo miúdo está sendo un dos sectores económicos mais castigados pola grande recesión. Compre defender e protexer este sector tan necesario para o bo funcionamento da economía e a sociedade. Unha defensa que debe incluírse dentro de plans públicos orientados a impulsar novas actividades e novas formas de consumo. Novas actividades e novas formas de consumo que rematen coa cultura da grande área comercial e poñan o aceno nas axudas (fiscais, financeiras, formación …) ao comercio polo miúdo.Velaí algunhas das tarefas que, en materia de política económica e dende unha clara perspectiva de esquerdas, considero urxentes a realizar polo novo goberno español. Evidentemente que son necesarias outras medidas relacionadas, por caso, coa a Unión Europea, o financiamento autonómico, a débeda pública, o estado de benestar …. etc. que tentarei de tratar en próximos artigos pero sobre as que, en moitos casos, xa teño escrito neste medio.
NOS_32301
Galiza é un dos poucos territorios do Estado onde aumentaron os ingresos destas máquinas.
Nas máquinas B (coñecidas como comercartos) xogaron @s galeg@s en 2012 por volta de 544 millóns de euros. Un 83% máis que no exercicio anterior (297 millóns). E xa nese 2011 houbo un incremento dos cartos xogadores nesas máquinas en comparación co ano anterior, 2010 (278 millóns). Estes datos, citados por Economía Digital, están recollidos no informe elaborado pola Dirección Xeral de Ordenación do Xogo. Entre esas cifras, tamén se apunta a que a contía dos premios repartidos o ano pasado foi de 408 millóns de euros. No ano anterior, 2011, foran 2222 millóns. Porén, e no que atinxe aos casinos existentes en Galiza, houbo unha queda nos ingresos de máis dun 30%, segundo cita este mesmo medio. Xigantes do sector Galiza dispón de dúas das grandes empresas do Estado no eido das máquinas b e o xogo: Egasa e Comar. Aliás, no país hai diferentes empresas pequenas e medianas relacionadas con este sector, unha trintena das mesmas está na Asociación Galega de Empresas Operadoras. Cada máquina comecartos está gravada cun imposto fiscal de por volta de 4.000 euros
NOS_39379
Bruxelas aplica medidas paliativas para reducir a dependencia do gas e petróleo rusos.
Bruxelas publicou na terza feira un plan sobre como reducir a dependencia da UE das importacións de gas do seu principal provedor, Rusia, en resposta á invasión de Ucraína. Unha guerra que vén a agravar a crise enerxética que se vive nos países do club comunitario, dentro ademais do marco da emerxencia climática que vive o Planeta, provocada polo uso masivo de combustíbeis fósiles. O plan non chega a propor unha eliminación gradual do gas fósil na súa totalidade, mais si acelerar a implantación de enerxías renovábeis así como medidas para mellorar a eficiencia enerxética. O obxectivo principal a curto prazo é reducir de forma significativa a dependencia do gas natural ruso para 2023. Momentaneamente, apóstase pola diversificación das importacións de gas fósil da UE, e do hidróxeno e do biogás. As consecuencias da guerra: comprar unha barra de pan custará o dobre nas vindeiras semanas Unha venda de emerxencia para unha ferida demasiado grande e fonda. Así o considera Greenpeace, que sostén que "outras fontes de gas fósil, hidróxeno ou biogás manterían a UE enganchada á queima de combustíbeis e vulnerábel a futuras crises enerxéticas, ademais de empeorar a crise climática". "Europa debe deixar de financiar a maquinaria bélica de [o presidente ruso, Vladimir] Putin, mais o problema é máis profundo que abordar de onde vén o gas fósil que usamos. O problema é que queimamos moito gas", sinalou Silvia Pastorelli, responsábel da campaña europea de enerxía e clima da ONG. Pacto Verde Greenpeace avoga por que os esforzos da UE se centren en "reducir a demanda de enerxía e acelerar as enerxías renovábeis o máis rápido posíbel". "Isto axudaranos a reducir as importacións non só de gas ruso, senón tamén de petróleo e de carbón, así como a evitar empuxar a millóns de persoas á pobreza enerxética", argumentou Pastorelli. A maioría dos combustíbeis fósiles que importa a UE veñen de Rusia. En 2019, foron 40% das importacións de gas fósil, cuarta parte das de cru e case a metade do carbón. En total, a importación de enerxía da UE desde Rusia ascendeu a 60.100 millóns de euros en 2020. O prezo da luz aumentou en 1.025% no último ano Facendo fincapé en ambas as dúas cuestións, a moral e a ambiental, leva tempo incidindo Frans Timmermans, comisario europeo para o Pacto Verde. Xa en setembro pasado, ante a escalada nos prezos da enerxía, afirmaba no Parlamento Europeo: "Se tivésemos o Pacto Verde hai cinco anos non estariamos nesta situación". E avisaba de que a transición "vai ser condenadamente dura, e ninguén debería facerse ilusións de que vai ser doada", mais canto máis se tarde en acelerar esa viaxe tecnolóxica ─engadía─, máis volátil será o sistema. Máis cara será a luz. Baixar a calefacción Na liña desta situación "condenadamente dura" que lle toca vivir á cidadanía da UE, agravada pola agresión rusa a Ucraína, chegaron as declaracións do xefe da diplomacias comunitaria, Josep Borrell. "Os europeos necesitan que o ruído das bombas ás cinco da mañá ao caer sobre Kíiv os acorde do seu sono de benestar e lles permita afrontar os desafíos que o mundo proxecta sobre nós", manifestou onte no debate sobre a situación en Ucraína na Eurocámara. E solicitou sacrificios análogos aos realizados durante a pandemia da Covid-19 na "cruzada política" contra Rusia, pedindo directamente baixar a calefaccións nas casas ao igual que se tivo que usar a máscara durante a crise sanitaria. "Corten o gas nas súas casas, diminúan a dependencia de quen ataca Ucraína e comprometámonos máis nunha defensa colectiva", resumiu, apelando a "un compromiso colectivo ante unha tarefa histórica". "Comezamos tarde, mais máis vale tarde que nunca", sinalou. Sistema marxinalista Para que as grandes compañías eléctricas (como as que operan no mercado español, que fecharon 2021 triplicando beneficios) tamén participen destes "sacrificios", Bruxelas abriu a porta no plan presentado na terza feira a limitar "temporalmente" o contaxio automático da carestía do gas ao prezo da electricidade. O sistema marxinalista que rexe o mercado eléctrico comunitario funciona de forma que a tecnoloxía de xeración máis cara (canto máis contaminante, máis cara) fixa o prezo do resto das fontes en poxa, polo que as compañías eléctricas que producen pouca enerxía con gas, mais que cobran toda a súa xeración a ese prezo, obteñen o que se coñece como "beneficios caídos do ceo". Supermercados na Galiza racionan a venda de aceite de xirasol pola guerra en Ucraína No mercado entran primeiro as enerxías que menos contaminan e despois as seguintes ─máis caras─ de non se cubrir a demanda prevista. O prezo de referencia é o da última, que estabelece o de todas as anteriores, con denuncias polo medio de que as empresas manobran para dar entrada ás enerxías máis caras de forma artificial (como o baleirado a mantenta de pantanos por Iberdrola o verán pasado). Este sistema marxinalista é unha imposición da UE, que o Goberno español tentou mudar sen éxito hai meses. A comunicación desta terza feira da Comisión contempla que os Estados poidan impor impostos temporais sobre estes beneficios, sempre que non sexan retroactivos e permitan ás empresas cubrir os gastos de produción. Carestía da vida Mentres, en países como Francia, van en aumento as mobilizacións sindicais para protestar polo aumento da carestía da vida e exixir un aumento de salarios, pensións e bolsas estudantís. A vindeira será o 17 de marzo. Onte o ministro galo de Economía e Facenda, Bruno Le Maire, recoñeceu que a actual crise enerxética é "insoportábel para moitos dos nosos compatriotas" e "comparábel en intensidade, en brutalidade, ao shock petroleiro de 1973".
PRAZA_12669
A Axuda ao Desenvolvemento autonómica e local vese ameazada polos recortes orzamentarios e polo debate sobre se a actividade no exterior das ONGD debe estar xestionada polo Ministerio de Exteriores e polo Estado central.
A Axuda ao Desenvolvemento autonómica e local vese ameazada polos recortes orzamentarios e polo debate sobre se a actividade no exterior das ONGD debe estar xestionada polo Ministerio de Exteriores e polo Estado central. As Comunidades Autonómicas convertéronse na diana de todos aqueles que avogan por recortar e centralizar o poder nunhas poucas mans As Comunidades Autonómicas convertéronse na diana de todos aqueles que avogan por recortar e centralizar o poder nunhas poucas mans. Se fai unhas semanas era Esperanza Aguirre quen falaba de devolver competencias transferidas ao Goberno central, fai xa meses que os que aniquilaron as partidas orzamentarias de Axuda ao Desenvolvemento xustifican a súa decisión en que a imaxe exterior do país debe ser coordinada polo Ministerio de Exteriores. Segundo este discurso, a institución estatal debe ser quen xestione a cooperación internacional, pero nada se di das comisións exteriores de Industria, por exemplo, que moitas comunidades teñen no estranxeiro. Un pensamento que para as ONGD agocha máis nada que unha escusa para a súa política de recortes e que pouco teñen que ver coa eficacia dos proxectos. "En época de vacas gordas ninguén cuestionaba que houbese accións para o desenvolvemento desde as institucións estatais, as autonómicas e as locais" "En época de vacas gordas ninguén cuestionaba que houbese accións para o desenvolvemento desde as institucións estatais, as autonómicas e as locais. Ata fixeron ferramentas para apoiar esta necesidade nos Estatutos, con axencias autonómicas ou dando autonomía aos concellos", comenta María Paz, compoñente da directiva da Coordinadora Galega de ONGD e responsable de Solidariedade Internacional Galicia. Unha realidade que xorde do activismo polo 0'7% e que grazas á implicación da sociedade civil se conseguiron asignar 22 Pactos contra a Pobreza (cinco autonómicos, dous provinciais e 15 municipais), chegando a converterse a Axuda ao Desenvolvemento descentralizada nun 12,55% da estatal (446 millóns de euros, segundo os cálculos da Coordinadora de ONGD España). O valor engadido de ser complementarias Todo isto resúmese en proxectos sobre o terreo con ONG moi específicas que achegan valor engadido e especialización. "Trátase de que cada un faga o que mellor sabe facer. As autonomías xestionan a Sanidade e Educación para os cidadáns de España, por iso son as máis indicadas para coordinar unha acción deste sector noutro lugar", comenta María Paz. De feito, a cooperación descentralizada destina máis do 50% da súa axuda a proxectos de saúde, saneamento, auga, vivenda e seguridade alimentaria. Hai condicións culturais que fan que unhas comunidades estean máis próximas a uns países ou colectivos que outras. "É o caso de Galicia cos países lusófonos, como varios dos países preferente para a Xunta" O mesmo pasa coa pesca ou con condicións culturais que fan que unhas comunidades estean máis próximas a uns países ou colectivos que outras. "É o caso de Galicia cos países lusófonos, como varios dos países preferente para a Xunta", indica Daniel González Palou, secretario Técnico do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que comenta que Alemaña "gasta miles de euros en tradutores en Cabo Verde" mentres que eles non o necesitan. "Galicia teñen unha entidade propia fóra de España que non debe perderse", rematan dende o Fondo Galego. A cooperación descentralizada conta con outra razón para existir: a sensibilización e a educación para o desenvolvemento. Ademais de estar máis preto dos cidadáns, as ONGD locais e autonómicas están máis preto dos recursos e as fontes, tanto públicas como privadas. Mentres que só o 10% dos fondos estatais para Axuda ao Desenvolvemento están xestionados por organizacións non gobernamentais, esta porcentaxe crece ata o 70% nas comunidades. Isto refórzase en moitas coas Axencias de Cooperación autonómicas, institución que non existe en Galicia. "Durante un tempo falouse de creala e estivo perfilándose, pero cos actuais recortes falar dunha axencia galega é un soño", comenta María Paz. Os recortes empezaron polos Orzamentos Xerais do Estado e continuarán coma se dun dominó se tratase nas autonomías, as deputacións e, finalmente, os concellos Efecto dominó Uns recortes que empezaron polos Orzamentos Xerais do Estado (e que continuarán coma se dun dominó se tratase nas autonomías, as deputacións e, finalmente, os concellos). Ben o saben desde o Fondo Galego, que aínda que non recibe subvencións nin do Estado nin da Xunta, xa sufriron un descenso das entidades doadoras. "A principios de anos deuse de baixa como socia a deputación de Pontevedra e en marzo, a de Ourense, ademais de concellos como Cangas, Guitiriz ou Castrelo do Val", comenta o secretario Técnico do Fondo Galego, que aínda conta co apoio económico de 93 municipios e dúas deputacións. "Todo foi crecendo ata 2009, tanto en apoio económico como en número de municipios", comenta González Palou, que asegura que o obxectivo da institución na súa 15º aniversario redúcese a "non ter máis baixas". Galicia é unha das comunidades que menos achega do Estado español -un 0'06% do seu PIB- Debido a que Galicia é unha das comunidades que menos achega do Estado español -un 0'06% do seu PIB- , moitos dos proxectos das ONGD deben ser cofinanciados pola Xunta de Galicia e polos Estados nos que se vai actuar. É a chamada cooperación bilateral, que pese ao atraso burocrático que ás veces leva consigo, é unha forma eficaz de lograr que o proxecto sexa sostible e achegue resultados a medio prazo. Unha forma de cooperación que diferencia de novo a Axuda Oficial ao Desenvolvemento estatal da descentralizada. En só tres anos, o Plan Director pasou a depender directamente do Presidente da Xunta, a ser unha Secretaria Xeral e, agora, a ser unha subsecretaría dentro dunha Concellería tan caixón de xastre como é Presidencia Ademais da redución de ceros nos orzamentos, a cooperación descentralizada viu formas moito máis sutís de pór a cambadela: incumprimento de pactos, atrasando o pago de subvencións xa concedidas, negándose a abonar segundos prazos de proxectos xa en marcha, chegándose a pedir a devolución de fondos concedido e obrigando a paralizar as accións. Outro detalle da rebaixa que os Gobernos actuais fixeron á importancia que ten para eles a axuda ao desenvolvemento é a degradación que sufriu na xerarquía os departamentos que se ocupaban disto: en Galicia, en só tres anos, o Plan Director pasou a depender directamente do Presidente da Xunta, a ser unha Secretaria Xeral e, agora, a ser unha subsecretaría dentro dunha Concellería tan caixón de xastre como é Presidencia.
NOS_10572
O presidente do Partido Popular enfronta máis un caso de corrupción no partido após o procesamento do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.
Ourense está a se converter no pesadelo de Núñez Feijóo. Por máis que o presidente da Xunta teime en se afastar dos escándalos de corrupción que asolagan o seu partido na Galiza e no Estado, cada día tópase cunha nova imputación, as máis das veces vencelladas ás filas do PPdeG na provincia ourensá. Se o caso de corrupción polo que está a ser investigado Xosé Luís Baltar non for suficiente, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez será procesado por delitos de estafa, falsidade documental e prevaricación vencellados á xestión de fondos europeos. Martínez foi imputado en 2006 por ter cobrado subvencións de até 51.000 euros procedentes do programa comunitario Leader que, segundo o xuíz instrutor, "nunca chegaron a executarse". Malia a acusación, o presidente da Xunta non lle pediu a demisión e mesmo volveu a nomealo delegado após recuncar na presidencia do executivo galego. Baltar Blanco bota un pulso a FeijóoAlberto Núñez Feijóo lida con máis dunha fronte aberta no PP ourensán. O Congreso provincial que se desenvolverá en Ourense en poucos días semella reavivar as diferenzas entre a corrente baltarista e @s afíns ao líder do PPdeG. Xosé Manuel Baltar --único candidato á presidencia provincial da formación-- aseguraba nunha entrevista "rexeitar" falar de "integración" malia as insistencias do seu presidente. Núñez Feijóo demandaba en comparecencia de imprensa após a celebración dun Consello da Xunta que agardaba da candidatura de Baltar que fose capaz de "integrar" a toda a militancia en aras de superárense "as diferenzas doutro tempo". Porén, o presidente da Deputación ourensá apostou máis por botarlle un outro pulso. Segundo o Baltar Blanco falar de integración "non cabe" cando só se presenta unha candidatura ao Congreso provincial. Malia que asegura ter procurado o debate pois "como militante interésame coñecer outras alternativas" di, "non foi posíbel". Baltar é rotundo e con firmeza asegura que non deixará que outr@s tomen as decisións por el; "teño a liberdade para elixir" a aquela militancia que compoña a executiva do partido en Ourense, polo que a decisión final dependerá "do meu entender nese momento e ao meu único criterio".
NOS_22909
Convoca a CIG para o 5 de febreiro
"O ataque iniciado pola empresa contra o dereito á saúde das traballadoras e traballadores" é o motivo da folga que, para o vindeiro 5 de febreiro, convocou a CIG no centro de chamadas Extel da Coruña. "Non podemos consentir que nos despidan por estar enfermas e que non se validen agora, por decisión unlateral, os xustificantes médicos que serviron durante máis de vinte anos", indica o sindicato. O Goberno central anunciou que derrogará de os apartados da última reforma laboral que permiten despedir empregadas de baixa médica. De momento non o fixo. "O máis grave é que a empresa pretende empregar esta estratexia para xustificar despedimentos en base a un suposto absentismo, acolléndose ao artigo 52d do Estatuto do Taballo", denuncia a CIG, para a que "o obxectivo final da empresa non é outro que aplicar un ERE encuberto a baixo custe, aproveitando que a reforma laboral do PP facilitou os despedimentos obxectivos por baixas laborais de curta duración". É contra esta situación que reacciona o sindicato. Lembra os datos da anterior folga, que "falan con rotundidade de que as traballadoras e traballadores de Extel na Coruña [uns 600] están dedicidas a seguir loitando para defender os dereitos conquistados". Ao día seguinte da folga do 5 de febreiro, a representación do persoal reunirase coa propietaria de Extel Contact Center, a compañía Analytics Business Solution (ABS). A CIG explica que, na xuntanza, esixirá da empresa que atenda ás reivindicacións sociais a respecto do cambio de criterio nas horas médicas e nos partes de repouso, e que se proceda á reincorporación das compañeiras e compañeiros "despedidos por enfermar".
NOS_39840
A CIG convoca unha concentración esta terza feira (30 de setembro). Denuncian que o Fogasa está a demorar os pagamentos até 18 meses.
Traballadoras e traballadores da provincia de Pontevedra exixirán cunha mobilización perante a Subdelegación de Goberno que o Fondo de Garantías Salariais (Fogasa) axilice os pagamentos das indeminizacións por despedimento. Será a terza feira (30 de setembro) ás 12.00 horas. A central sindical nacionalista denuncia que os retrasos acumulados e que, nalgúns casos, se demoran desde hai 15 e 18 meses. Esta situación, vén a se sumar, explican, ás reducións sufridas nestas indeminacións após a entrada en vigor da reforma salarial. E é que desde 2012 as contías pasaron dos 150 días de salario a 120 e a cantidade non supera o duplo do Salario Mínimo Inerprofesional (SMI) cando na anterior lexislación se contemplaba até o triplo. A reforma laboral reduciu os días de pagamento e as contías Desde a CIG advirten que os retrasos responden a un interese do "goberno" español que, "por tentar cumprir co déficit, o que está a facer é diferir os pagos para anos posteriores e se tiña que pagar este ano, deste xeito, o que fai é atrasalos para o ano 2015 ou 2016. Unha aberración", sinalou Xoan Xosé Bouzas, secretario nacional da CIG-Industrias e representante da central sindical no Salnés. Así, en 2013, só en Pontevedra presentáronse 6.892 expedientes e só se concluíron 3.467. Isto ademais dos 622 pendentes do ano 2012, acrecentan. A CIG do Salnés, lembra, ten a uns 300 traballadores de 25 empresas da comarca agardando desde abril de 2013 a cobrar do Fogasa e outras 200 solicitudes individuais. Aproximadamente 500 traballadores/as pendentes de recibir as súas indemnizacións. O Ministerio reclama "cobros indebidos" procedentes do INEM a operari@s @s que adebeda entre 6.000 e 7.000 euros Aliás, denuncian que o Ministerio de Emprego está a reclamar a algunhas das persoas pendentes de pagamaneto, a devolución por vía de apremo, de supostos cobros indebidos do desemprego. "Refírense aos cartos que percibiron do INEM até que existiu unha sentenza que obrigou ás empresas a pagar os salarios de tramitacións", explican desde a CIG. "Hai casos de persoas ás que o Ministerio lles adebeda 6000 ou 7000 euros, que esgotaron as prestacións e que poderían quedar nunha situación moi difícil", advirten. Neste senso, coincidindo coa concentración convocada @s operari@s entregarán na Subdelegación de Goberno reclamacións individuais exixindo o pagamento inmediato das indemnizacións e maior axilidade na súa tramitación fornecendo dunha maior partida orzamentaria a Fogasa e incrementando o persoal neste órgao "como se ten feito noutras ocasións como o resgate á banca", apuntan.
QUEPASA_909
A praza de Kasko do concello de Sestao foi o escenario perfecto para acoller neste ano 2019 a XXXIV celebración do Día de Galicia, un día tan importante que se creou coa intención de estreitar lazos entre as dúas patrias e as diferentes casas de Galicia esparexidas polo País Vasco. Unha edición que contou coa participación activa de dúas mulleres da bisbarra, como a incansable embaixadora cabanesa Alejandra Plaza, que foi a pregoeira; e Amparo Patiño, unha muller loitadora que recibiu a insignia de ouro 2019 da Irmandade, e que está moi vinculada á nosa comarca ao estar casada cun home de Laxe.
Baixo un sol caribeño e durante catro intensos días, os veciños da localidade euskalduna puideron gozar do abano de actividades gastronómicas, musicais, culturais, educativas e de carácter comercial propias nun evento destas características. O alcalde anfitrión, Josu Bergara López, que destacou a importancia deste tipo de xuntanzas para renovar a relación e o compromiso coa comunidade galega que en Sestao aglutina a unhas 250 familias, e a presidenta da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi, Pilar Rodríguez, arroupados polos presidentes das casas de Galicia que conforman a Irmandade e a corporación municipal do concello de Sestao, foron os responsables de oficiar a inauguración desta XXXIV edición. Fieis á tradición, non faltou o habitual concurso de fotografía, de empanadas e follados, o certame de poesía "Anduriña Voandeira" e a XIX cata-concurso de viños tintos galegos con denominación de orixe. A simbiose entre Galicia e Euskadi estivo moi presente durante estes catro días no corazón da localidade sestaoarra pero, principalmente, o último día. A homenaxe ao exterior da nosa mellor embaixadora Unha homenaxe á emigración e unha declaración de intencións, respecto e gratitude foi a base da posta en escena da escritora e xornalista cabanesa Alejandra Plaza como pregoeira do a XXXIV edición do Día de Galicia en Euskadi. "Nunca puiden imaxinarme que emigrar achegaríame cada vez máis a Galicia, ás miñas raíces, á miña nenez. Descubrín a necesidade de mostrarlle ao mundo, o meu mundo. Redescubrínme. Tiven que irme para estrañar o que deixaba e tiven que toparme coa Galicia Exterior para valorar o que estrañaba". Alejandra Plaza Amparo Patiño, insignia de ouro 2019 da Irmandade, muller loitadora, emprendedora, empoderada ao seu tempo que con 16 anos conseguiu convencer á súa familia e trasladala xunto ao negocio familiar a Euskadi declarou: "Teño o corazón repartido porque quero a Galicia pero amo a Euskadi". Amparo Patiño O Conselleiro de Cultura e Política Lingüística do goberno vasco, Bingen Zupiria utilizou dúas palabras para a súa intervención: "Grazas e felicidades. Felicidades porque somos conscientes das dificultades e o esforzo que vos supón celebrar esta festividade e tantas outras que celebrades durante o ano. Sodes un exemplo de como se pode manter viva unha identidade e un espírito. Hoxe gozamos de tres grandes testemuños elaborados por mulleres, por Amparo, Alejandra e Pilar ás que agradezo as súas palabras e testemuño. Grazas a toda a comunidade galega por axudarnos a coñecervos mellor. Alejandra dixo que leva toda a vida traballando para que Galicia non morra no exterior, pois, grazas a vós, Galicia mantense entre nós". Relevo xeracional? Pola súa parte, Pilar Rodríguez, presidenta da Irmandade e dos Hijos de Galicia de Sestao relatou o carácter intinerante desta celebración. "Cada ano este evento organízase nunha localidade distinta para que todo o mundo coñeza o traballo que se realiza desde a Irmandade de Centros Galegos en Euskadi como federación. 34 anos interrompidos como organización é un feito para sentirnos orgullosos pois supón un gran esforzo e sacrificio tanto persoal como económico. Sempre me preguntan se haberá unha substitución xeracional pero a verdade é que é unha pregunta difícil de contestar pois acode xente nova aos centros pero non con ganas de ofrecer o seu tempo e dedicación de maneira altruísta nestas sociedades. As entidades están a cambiar moito e obsérvase un gran materialismo e individualismo. Quero pensar que son características importadas doutras sociedades que nos exportan a súa cultura por diferentes medios audiovisuais e por ser unha evolución inevitable do ser humano debido aos avances tecnolóxicos". O festival folclórico galego a cargo dos grupo das casas de Galicia da Irmandade puxeron o broche de ouro a catro exitosos días de celebración.
NOS_32906
Cabazas, velas, fachos... a noite alumeou na Praza de Armas na 'vixilia' convocada para defender o presente e futuro da comarca e lembrar a Concello, Xunta e goberno central que son responsábeis diectos do declive de Ferrolterra.
A Praza de Armas alumeada por fogueiras, velas, fachos e mesmo cabazas. Centos de ferroláns asistiron á convocatorio de 'Ferrolterra exixe solucións' para defender o sector naval e un futuro para a comarca. Crianzas e maiores, de Ferrol e outras vilas da comarca... a 'vixilia' foi un punto de encontro para dicir que non hai resignación posíbel. DE baixar os brazos, nada. Houbo berros contra o PP. E música. A Praza de Armas cantou a Rosalía e 'Negra Sombra' e a Zeza Afonso e os 'Vampiros Había traballadores do naval, familiares e simples cidadáns. Reunidos porque están fartos de mentiras e falsas promesas. Houbo berros acusatorios ao PP, que goberna no Concello, na Xunta e en Madrid. Polo que ten todo o poder posíbel. Por iso o "lavado de imaxe" (segundo definiron os propios operarios de Naval) do PP da comarca indo a Madrid a protestar é sentido como un insulto. María Manoela, unha voz histórica da canción galega desde aquel 'Idioma Meu', cantou na 'vixilia' en apoio aos traballadores. Carga da dignidade Horas antes da 'vixilia' e na galería Sargadelos de Ferrol a presentación dunha curta/documental titulado "Carga de dignidade", de Bocixa. En xuño de 2013, colectivos culturais, sociais e políticos de Ferrolterra encheron a reixa de Navantia de prendas de roupa imitando as fundas penduradas meses antes por traballador@s do naval reclamando emprego. 'Radio Buguina' convocou a acción protesta e artística recollida por Tingalaranga nesta pelicula de 30 minutos realizada por Bocixa en dúas xornadas reivindicativas. O filme fará que perdure aquela acción cargada de dignidade.
NOS_42376
O VIII Congreso da CIG-Ensino reelixiu este sábado a Suso Bermello como secretario nacional. O Informe da Executiva, aprobado por 122 votos a favor, sen votos en contra nin abstencións, salientou a complicada situación vivida pola chegada da pandemia.
O VIII Congreso da CIG-Ensino reelixiu este sábado a Suso Bermello como secretario nacional. Ao mesmo tempo un total de 200 delegadas e delegados presentes escolleron nova que queda conformada, ademais, por Laura Arrojo Reguera, Xosé Manuel Nogueira Rodríguez, Marta Ferreiro Fernández, Ana Rodiño Domínguez, Diego Boquete Sánchez, Teresa Carballido Salgado, Henrique García Vázquez, Elena Añel Cabanelas, Xosé Anxo Terán Comesaña, Maruxa Martínez Nogueira e Montse Pernas Bellas. O Informe da Executiva, aprobado por 122 votos a favor, sen votos en contra nin abstencións, salientou a complicada situación vivida pola chegada da pandemia e que obrigou a mudar o tradicional modelo educativo poñendo en evidencia, segundo apunta a central nacionalista nun comunicado, "a fenda dixital e social do alumnado galego, mais tamén as carencias que tivo que enfrontar o profesorado". No balance, a CIG-Ensino salienta "as campañas pola recuperación dos dereitos do profesorado, pola recuperación do horario lectivo, en defensa dos dereitos do profesorado interino, do profesorado técnico de FP, ademais de múltiples mobilizacións derivadas das circunstancias da pandemia ou na defensa da lingua, entre outras". Central maioritaria no ensino público Suso Bermello cualificou os resultados sindicais deste período como de "claramente satisfactorios" no ensino privado, onde aumentou representación. Tamén nos convenios de atención á diversidade funcional e do primeiro ciclo de educación infantil, onde mantivo a súa representación. En relacións ás tres universidades, a central nacionalista revalidou a súa condición de central maioritaria no ensino público, no que superou o teito dos 9.000 votos nunhas eleccións. Uns resultados, estes últimos, que sitúan á CIG-Ensino, cun 43% dos votos obtidos, a gran distancia da seguinte central sindical en representación, CCOO, que acadou o 18%. En relación á afiliación, a central medrou estes últimos catro anos un 12%. A "perda de democracia interna" Bermello apuntou que na muda xeracional destes anos que virán non hai que "caer na compracencia de considerar que polos resultados e o traballo do pasado, ou mesmo do presente inmediato" a CIG-Ensino vai ser a "indiscutida opción sindical". Neste senso, alertou do "progresivo control do sistema educativo e a perda de democracia interna e participación do profesorado e do conxunto da comunidade educativa na toma de decisións" por estar "nun marco político estatal que segue a limitar a capacidade de Galiza para se dotar de ferramentas propias e o contexto político e educativo do país, cun goberno que devece por non ter que tomar decisións propias porque non cre no autogoberno". Con este contexto, Bermello considera que tanto a "dereita auténtica" a nivel galego, como o "progresismo" a nivel de Estado español ou o poder económico internacional comparten a premisa de que "nada cambie" co obxectivo de ter "un sistema educativo controlado desde fóra e desde dentro dos nosos colexios e institutos, cunha elevada carga burocrática e unha estandarización do proceso de aprendizaxe". Modelo educativo O secretario nacional da CIG-Ensino sinala que para o próximo período, pensan defender un modelo educativo en clave nacional, que se fundamente na capacidade para "decidir e deseñar a educación que Galiza precisa", e que pasan pola defensa do ensino público como "único garante da equidade social, galeguizador e de acordo coa nosa realidade". Ademais apostan por "unha educación aberta, gratuíta, plural, inclusiva, feminista e que erradique a lgtbifobia, o racismo e o machismo, fundamentada no pensamento crítico e na democracia interna e cunha oferta de prazas suficientes en todos os niveis educativos nos centros públicos". Posíbel folga xeral No acto de clausura interveu ademais o secretario xeral, Paulo Carril, quen tamén se referiu á pandemia que, dixo, afondou a crise social, económica, industrial e demográfica que xa viñamos padecendo. Entre as múltiples propostas de resolución aprobadas e seguindo a liña do aprobado no Congreso Confederal, a CIG-Ensino apoiou unha referida á folga xeral. Cuestión respecto da que Paulo Carril asegurou que se convocará "se persiste o espectáculo que están a dar os socios de goberno do Estado español arredor da reforma laboral ou a das pensións".
NOS_13366
Milleiros mobilízanse en Compostela pola rexeneración democrática e en prol da soberanía e dos dereitos nacionais do pobo galego
"Herdeiras e herdeiros da esperanza de Celso Emilio, erguemos a voz nun tempo escuro para convocar a sociedade galega, a esa inmensa maioría social traballadora, a unha resposta de dignidade e loita para enfrontar o tempo da devastación social e cultural, política e económica, que están a provocar as políticas do capitalismo ultraliberal do noso país, Galiza". Con poucos minutos de retraso sobre a hora prevista, ao mediodía deste domingo saía da Alameda de Compostela unha manifestación histórica. Non polo número de participantes, malia seren milleiros, senón por ser a primeira vez que todas as forzas soberanistas do País, ou case todas, xuntaron folgos para dar unha resposta conxunta "perante a descomposición actual do sistema" e en prol dos dereitos nacionais do pobo galego. BNG, CCPI, CIG, COG, Fruga, MpB, Nós-UP, Agir, Comités, AMI, Briga, Liga estudantil, Galiza Nova e Isca! foron as catorce organizacións impulsoras dunha convocatoria 'Polo dereito ao traballo, á igualdade, aos servizos públicos e á plena soberanía nacional galega' que foi secundada polo feminismo nun bloco lilá que percorreu as rúas da capital galega contra a "alianza criminal de patriarcado e capital". Na marcha non estivo, en troca, a Anova de Beiras, cuxos portavoces, en conversas con Sermos Galiza, declinaron explicar o porqué a súa ausencia. Berros contra a corrupción que salpica o partido que goberna na Galiza e no Estado, o PP, reclamando a súa ilegalización; pola liberdade dos sete presos independentistas que fican deslocados en prisións españolas; cánticos contra a Conferencia episcopal "por machista e patriarcal", a manifestación entraba unha hora despois na praza de Praterías repetindo ao unísono 'Galiza ceibe, poder popular!'. @s que este domingo saíron á rúa foron milleiros. Porén, como xa adiantaran @s voceir@s das organizacións convocantes, a valoración desta acción conxunta do soberanismo galego debe ser e é "moi positiva" polo mero feito de se ter producido esa resposta unitaria en contra "dun réxime onde os sectores máis conservadores gañan tempo nunha das súas batallas máis mediáticas: a eliminación de dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres". Contra todos os ataques que poñan en xaque o noso dereito a decidir. NOTA: o texto entrecomiñado co que arrinca e pecha esta crónica está estractado do manifesto que dúas voceiras das organizacións convocantes leron ao final da manifestación, na praza das Praterías.
NOS_43592
É un mapa da primeira metade do século XV elaborado sobre unha placa de metal que destaca pola grandiosidade do traballo do gravador. Infuído pola cartografía da época, debedora da tradición de Ptolomeo recuperada pola Escola de Viena e dos portulanos cataláns, presenta Galiza como un espazo político diferenciado no ámbito peninsular. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 347 do semanario en papel Sermos Galiza.
O mapamundi de Borgia é unha cartografía de sesenta e tres centímetros de diámetro, elaborada na primeira metade do século XV e realizada, segundo consta no propio gravado, nalgún lugar do sur de Alemaña. As dúbidas existentes sobre este traballo son moi numerosas, a comezar pola data da súa fnalización que algúns autores sitúan con anterioridade ao 1453 e outros no propio 1450. Nesa mesma liña tampouco hai certeza plena sobre a súa orixe alemá, podéndose só certifcar a súa historia desde 1794, momento no que o cardeal, teólogo e historiador Stefano Borgia merca a peza a un anticuario portugués. A partir dese momento, a obra incorpórase ao legado deste importante coleccionista, facendo primeiro parte do museo de Velletri, punto de destino dos máis importantes investigadores europeos do momento, e desde mediados do século XIX á Biblioteca Vaticana. A concepción cartográfca presente no traballo estará infuída ao tempo pola obra de Ptolomeo e os portulanos da escola catalá. A produción de Ptolomeo volverá ser valorada en Occidente após a tradución de parte dos seus textos ao latín en 1406, deixando pegada nalgúns dos máis importantes cartógrafos da época como Pirrus de Noha ou Andrea Bianco, onde Galiza ocupa un lugar de destaque. As pegadas dos portulanos da coroa catalá son evidentes, signifcándose pola información detallada que presentan para fxar os contornos das diferentes áreas costeiras e determinar as grandes liñas comerciais do momento. As semellanzas da carta de Borgia con outros traballos do momento non deixan dúbida ningunha, sendo evidentes as similitudes co mapa de Frei Mauro de 1459 e a carta catalá de 1459. [Podes ler a información íntegra no número 347 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
NOS_22834
Fillos do Sol é unha peza de Cándido Pazó estreada hai catro anos pero da que sempre é unha boa nova saber que tamén queda fixada en forma de libro, ao alcance desa parte do público que sabe que o teatro tamén pode lerse e como referencia perdurábel para o estudo.
Sería un reto e, en certa medida, tamén innecesario resumir a carreira de Candido Pazó, un dos valores máis lonxevos e sólidos do teatro galego e tamén un deses autores que son publicados sen o concurso excepcional dun premio e mesmo coa obra xa representada nos teatros. E o caso deste Fillos do Sol, peza que foi estreada hai catro anos pero da que sempre é unha boa nova saber que tamén queda fixada en forma de libro, ao alcance desa parte do público que sabe que o teatro tamén pode lerse e como referencia perdurábel para o estudo. Fillos do sol / Candido Pazó / Galaxia / 2021 / 112 páxinas / 11,75 euros Esta "Elucubración escénica nun acto e nun epílogo" supón un dobre exercicio de mestría: por unha parte pola aplicación da fantasía á vida dun mito das letras galegas, venerado e tamén polémico, como é Eduardo Pondal, figura principal da trama. En segundo lugar, pola capacidade de crear unha peza que se sostén con tres personaxes, dos que dous deles son ademais o mesmo protagonista desdobrado no tempo: Eduardo Pondal e un Don Eduardo que no final da súa vida, fala co fantasma da súa mocidade. A terceira voz é a de Rosa, traballadora da pensión na que o bardo pasou os seus últimos días e áncora case única do poeta cun presente no que o sentimento galeguista comeza a espertar con forza. Con este simple esquema, encerrado ademais no espazo único dun cuarto de pousada, Candido Pazó é capaz de tocar moitas máis cuestións das que parece. A característica de obra nunca rematada d'Os Eoas, a grande epopea sobre o descubrimento de América que o poeta nunca entregou, ondea por riba de toda a trama e tamén se nos anuncia no título. É unha pugna que enfronta ao vello Pondal co novo, unha falla da que se responsabilizan mutuamente, e onde entran en xogo a ansia pola perfección e o papel da poesía como traballo extenuante, moitas veces ingrato. Pero tamén serve o contrapunto de Rosa, capaz de darlle ao autor un reflexo do valor que ten o seu traballo e de como os seus versos son cantados por uns galegos que descobren o valor da súa propia lingua na emigración. É certo que Fillos do sol é unha peza crepuscular e deixa de lado á mantenta os aspectos máis discutidos aínda hoxe da figura pondaliana. Tamén pasa por alto algúns dos datos máis popularmente repetidos sobre a morte do bardo. Con todo, ten o acerto de enfrontar eses dous Eduardos que, desde a mesma iconografía, habitan na cultura galega. Tamén de deixarnos asomar á fantasía do final dun poeta que cambiou para sempre a nosa propia percepción como pobo.
PRAZA_9383
O Goberno galego reclama ao central 53 millóns ao ano durante cinco anos para pagar a obra e outros 13 millóns anuais para rebaixar as viaxes de ida e volta
O Goberno galego reclama ao central 53 millóns ao ano durante cinco anos para pagar a obra e outros 13 millóns anuais para rebaixar as viaxes de ida e voltaXunto coa transferencia da titularidade da AP-9 a Galicia, paralizada novamente pola disolución das Cortes, a estratexia de reclamacións da Xunta sobre a autoestrada vén de engadir unha nova baza negociadora que o Goberno galego asegura que impulsará goberne quen goberne en Madrid tras as próximas eleccións xerais. A Xunta pedirá formalmente que o custo da ampliación da ponte de Rande sexa asumido por Fomento directamente con cargo aos orzamentos do Estado pagando 53 millóns ao ano durante cinco anos, e non a través da suba xa en vigor dun 1% anual das peaxes de toda a autoestrada durante 20 anos. O Goberno galego asume que Audasa rexeitaría esa proposta e levaría a Fomento aos tribunais.O pasado mércores, antes de que fracasase a votación dos orzamentos do Estado que abocou á convocatoria de eleccións xerais, o presidente Feijóo avanzou no Parlamento de Galicia unha proposta que este luns, xa con data para os comicios, foi detallada pola conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez. A Xunta argumenta que o modelo de pagamento da ampliación da ponte de Rande decidido en 2011 polo PSOE aumentando as peaxes de toda a autoestrada un 1% anual durante 20 anos suporá un total de máis de 1.400 millóns de euros en todo ese período para unha obra que cuantifica en 223 millóns. Así que o que propón agora é que Fomento pague esa contía directamente a razón de 53 millóns ao ano durante cinco anos. Segundo a conselleira, estas propostas veñen sendo estudadas pola Xunta desde hai meses e serán defendidas goberne quen goberne tras as eleccións xerais e de xeito paralelo á negociación pola transferencia da titularidade da AP-9Esa proposta suporía dar marcha atrás ao acordo xa asinado por Fomento con Audasa, que vería reducirse os seus beneficios, polo que o Goberno galego xa asume que a empresa recorrería ante os tribunais. Xa o fixo, nun preito aínda pendente de resolución, cando hai un par de anos Fomento decidiu modificar outro acordo asinado en 2006 coa concesionaria para liberar de peaxe os treitos do Morrazo e A Barcala por considerar que a empresa estaba a obter un "enriquecemento inxusto" co modelo de cálculo e llo reduciu á metade. A Xunta tamén reclama que Fomento poña outros 13 millóns de euros ao ano para rebaixar as peaxes dos usuarios frecuentes en toda a autoestrada. Actualmente, Audasa ofrece unha rebaixa do 25% na viaxe de volta aos usuarios que a fagan no mesmo día laborable e con telepeaxe. A proposta do Goberno galego é dun 25% de desconto tamén na viaxe de ida, calquera día da semana e tamén para os vehículos pesados. Segundo a conselleira, estas propostas veñen sendo estudadas pola Xunta desde hai meses e serán defendidas ante Madrid goberne quen goberne tras as eleccións xerais e de xeito paralelo á negociación pola transferencia da titularidade da AP-9.
NOS_18348
O conselleiro de Economía, Francisco Conde, mantén a intervención da factoría de San Cibrao como último recurso.
Os traballadores de Alcoa siguen na loita por evitar o despedimento de 524 persoas da planta de aluminio primario. Esta segunda feira, 19 de outubro, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) anunciou que a vista para estudar a medida cautelar contra o ERE de Alcoa terá lugar o vindeiro día 28 deste mes na Coruña. As centrais sindicais CIG, CCOO e UXT informan de que, xunto ao comité de empresa, pretenden impedir con estas medidas cautelares que a multinacional inicie a parada das cubas de electrólises. "Permitir que Alcoa comece co apagado das cubas suporía un dano irreversíbel nas capacidades produtivas da fábrica de San Cibrao (Cervo) e lastraría calquera posíbel saída para garantir a continuidade dos empregos e da produción", advirten. Entre esas saídas, os traballadores seguen agardando pola intervención, mais na Xunta parece que non é a prioridade. O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, manifestou que apoiará a intervención da planta de San Cibrao (Cervo) "se chegado o momento ese é o camiño". Varias opcións O titular de Economía dixo que están a traballar desde o ámbito laboral; o administrativo e o xurídico co obxectivo de identificar "calquera mecanismo que permita garantir que Alcoa poida transferir a planta a un operador como Liberty". No caso da vía xurídica, sinalou que se está analizando o "ordenamento nacional e comunitario". "Non hai esgotada ningunha iniciativa nin por parte do Goberno español nin da Xunta da Galiza", insistiu Conde para admitir que, neste contexto, "en último termo poderíase dar a intervención". "Se chegado o momento ese é o camiño, nós apoiaremos esa intervención", expuxo o conselleiro quen, antes, remarcou que hai "pasos intermedios que hai que dar e esgotar". "Para abrir unha xanela de colaboración con Alcoa e identificar a transferencia da planta a través dun acordo entre as partes".
NOS_20396
A iniciativa parte da Deputación da Coruña co obxectivo de identificar os produtos agroalimentarios de produción local que cumpran estes parámetros.
A Deputación da Coruña vén de presentar a campaña 'A provincia que sabe', destinada a impulsar a gastronomía "de calidade e sustentábel". A área de Turismo do Goberno provincial promocionará, deste modo, os produtos agroalimentarios de produción local que cumpran estes parámetros. "Queremos que cando o público escoite 'A provincia que sabe' de todos os territorios posíbeis, pense automaticamente na Coruña", precisou na presentación do programa, no marco do 'Galiza Forum Gastronómico' o vicepresidente da Deputación e responsábel de Turismo, Xosé Regueira. Ao acto asistiron representantes dos xeodestinos coruñeses, alcaldes e edís de gobernos municipais, persoal técnico dos concellos, profesionais da restauración e distribución e produtores e produtoras. 'A provincia que sabe' parte, afirmou Regueira, dun lema xa coñecido no ámbito do promoción gastronómica para aproveitar unha idea "xa instalada no imaxinario colectivo" e "utilizala con intelixencia para que cada vez que se fale de produto galego que sabe, de forma instantánea se identifique coa provincia da Coruña e coa excelencia, tanto dos nosos produtos como do bo facer dos cociñeiros e cociñeiras". Poderán participar as empresas da Coruña que pertenzan a algún selo de calidade Así, o deputado asegurou que esta iniciativa non busca "inventar nada que colisione ou interfira" con outras marcas xa consolidadas nos xeodestinos. "Todo o contrario —defendeu—, o que se pretende é darlles maior relevancia e, polo tanto, poderán solicitar a súa participación as empresas que estean radicadas na provincia da Coruña, que conten con centros de produción no territorio provincial ou que transformen o produto na provincia e que pertenzan a algún selo de calidade". Un dos aspectos esenciais da campaña, precisou Regueira, é a desestacionalización. "Está enfocada a un perfil de turista exixente que saiba valorar a calidade e a esencia do produto que lle estamos ofrecendo e mesmo que sexa capaz de desprazarse ao territorio en diferentes estacións buscando experiencias gastronómicas de alta calidade e de tempada", engadiu. A campaña servirá de "paraugas", dixo, a produtos existentes nos xeodestinos da Coruña que estean avalados polos seus entes de xestión, produtos ou estabelecementos que conten con algún certificado de calidade homologado como os 'Q' de calidade ou semellantes, produtos que estean seleccionados por normas de calidade doutras administracións tipo 'Galiza Calidade' ou aqueles que pertenzan aos ámbitos das Indicacións Xeográficas Protexidas ou Denominacións de Orixe. Tamén amparará empresas non incluídas nos anteriores apartados que conten cunha solicitude avalada polo xeodestino "xustificando o seu compromiso coa sustentabilidade e co desenvolvemento do territorio".
NOS_43896
Desta volta Carlos Callón pon o foco sobre a figura de Manuel María, o grande poeta nacional ao que este ano vai dedicado o Día das Letras 2016.
Callón evoca a súa fructífera relación co escritor da Terra Chá: non só partillaron recitais poéticos, senón que o vídeo-blogueiro de Sermos achou sempre apoio entusiasta no autor de Muiñeiro de Brétemas quer nas súas investigacións filolóxicas quer na súa etapa de presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, entidade da que poeta foi socio. Mesa e Manuel María cruzaron os seus camiños este ano coa edición por parte daquela de A Voz do Vento, un libro CD que recolle musicados textos do autor máis prolífico da historia da literatura galega. Un libro CD que Callón recomenda vivamente nesta súa vídeo-columna das segundas feiras.
NOS_1933
Máis de 13.000 persoas 'desapareceron' en tan só 31 días das listas de afiliación da Seguridade Social no noso país. Un dado que exemplifica como a crise e o desemprego desminten a mensaxe de 'recuperación' do PP.
Foron só 31 días, un mes. Entre o 30 de novembro e o 31 de decembro. Mais nese espazo a Seguridade Social en Galiza perdeu máis de 18.000 persoas afiliadas. Unha media de 422 afiliad@s menos cada día, 18 cada hora. Cifras que sinalan que a propaganda e anuncios do PP de recuperación económica baten coa verdadeira realidade laboral en Galiza. Desde 2010 a inicios deste 2015 case A Seguridade Social en Galiza baixou en case cen mil persoas afiliadas, máis que os habitantes totais censados de, por exemplo, Compostela, a capital do noso país. Unha queda que se deu en todos os rexistros da SS, tanto no réxime xeral como no de autónomos ou no especial do mar. Máis un dado do escenario do día a día en Galiza. Como o de que o número de persoas desempregadas que non cobran ningún tipo de prestación supera xa as 120.000 no noso país. O paro aumentou en decembro en 3.286 persoas, situándose ao remate de 2014 nun total de 251.981 desempregados/as, un 1,32% máis que no mes anterior.
NOS_26826
A situación das caixas galegas xa era crítica no momento da chegada de Núñez Feixoo á presidencia da Xunta. A xestión dos seus equipos de dirección e os fallos dos mecanismos de control público tiñan provocado unha situación delicada, semellante a doutras entidades de crédito. As decisións posteriores das autoridades galegas e españolas remataron por provocar o colapso.
O estoupido de 2008 deixou ao descuberto as vergoñas do sistema financeiro internacional. As caixas galegas, na liña da práctica totalidade das entidades de crédito, tíñanse embarcado nunha operativa comercial baseada na aposta polos produtos de risco, cunha elevada exposición ao mercado inmobiliario. Sen ir máis lonxe, en 2007, a construción representaba 23% e 26% da carteira industrial de Caixanova e Caixa Galiza, aumentando entre 2003 e 2007 o crédito promotor en 120% e 181 %, respectivamente. Os directores xerais de Caixa Galiza e Caixanova, José Luís Méndez e Julio Fernández Gayoso, foron os principais culpábeis da crise particular das entidades. Un e outro dirixiron durante décadas as caixas rodeados duns equipos feitos á súa medida, unhas prácticas de xestión marcadas polo nepotismo e unhas políticas de investimento que non atendían a función social definida na propia natureza xurídica das entidades. A súa actuación final, falseando as contas, ano tras ano, co obxecto de retrasar o recoñecemento das perdas e a adopción de medidas extremadamente arriscadas comprometeu, aínda máis, o futuro das entidades. A responsabilidade da Xunta da Galiza na desfeita das caixas galegas foi evidente. Os diferentes Gobernos galegos incumpriron o labor de fiscalización das mesmas fixadas pola lexislación galega e renunciaron a exercer a tutela pública sobre os seus equipos directivos, permitindo as prácticas de Méndez e Gayoso, auténticos amos do país durante anos, coa conivencia das responsábeis institucionais. A negativa do Goberno galego a activar o funcionamento da comisión parlamentaria de investigación das caixas, constituída en 2012, respondeu á vontade de exculpar o Goberno de Núñez Feixoo e protexer os altos mandos das entidades. A súa actuación estaba dirixida a diluír a responsabilidade no quebranto das arcas públicas, no saqueo a miles de aforradoras e na dilapidación do patrimonio e da obra social dunhas caixas de aforro con moitos anos de historia. A Xunta da Galiza semellou asumir a doutrina asentada pola Audiencia Nacional no proceso á dirección de Caixa Nova e Caixa Galiza, "a mala xestión non é delito". A auditoría encargada por Núñez Feixoo a Deloitte e PWC para supervisar a situación de Caixa Galiza e Caixanova exemplificou a súa actitude durante o proceso. As empresas auditoras en ningún momento sinalaron o deterioro das súas carteiras de créditos e os investimentos excesivamente arriscados nas súas participadas, dando por boas a Xunta da Galiza unhas contas que non coincidían coas do servizo de inspección do Banco de España. O furado económico xerado nas contas públicas pola insolvencia das caixas galegas e pola súa posterior venda ao grupo venezolano Banesco está aínda por cuantificar con exactitude. O Banco de España situou a cantidade económica achegada polo Estado á entidade galega en 9.783 millóns de euros, porén moitas economistas discuten estas cifras. Máis de 36.000 euros O economista Carlos Sánchez Mato, unha das persoas que estudou máis a fondo os rescates bancarios e, concretamente, o galego escribía en xaneiro de 2014 que "a entidade resultante da fusión das caixas de aforros galegas recibiu 36.925 millóns de euros de axudas públicas no proceso de salvamento. Aínda que o FROB só cita as inxección directas de capital, 9.783 millóns de euros, realizadas por esta institución e polo Fondo de Garantía de Depósitos (FAG)". Segundo Sánchez Mato, aos 9.783 millóns de euros achegados polo Fondo de Reordenación e Ordenación Bancaria (FROB) e polo Fondo de Garantía de Depósitos (FAG) debíanse engadir 850 millóns de garantías ofrecidas polo FROB para a privatización, 7.578 millóns de euros de avais públicos para a emisión de débeda, 3.330 millóns de euros de créditos fiscais, 1.158 millóns de euros de achegas para a adquisición de activos financeiros, 10.130 millóns de euros fornecidos en créditos polo Banco Central Europeo e 5.096 millóns de euros resultado do traspaso de activos á Sociedade de Xestión de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB), popularmente coñecido como o "banco malo". A solución pactada pola Xunta da Galiza e polo Goberno do Estado para o sistema financeiro galego amosouse como desastrosa. A privatización e posterior venda ao grupo venezolano Banesco da entidade resultante da fusión das caixas galegas significou a culminación dun espolio para a facenda pública de consideracións xigantescas e a renuncia a contar cun instrumento financeiro de carácter galego e de orientación pública, que acompañase as empresas e sectores produtivos do país. A sociedade propietaria de Abanca, Banesco, adquiriu o banco xurdido dos cascallos de Caixa Galiza e Caixanova por 1.003 millóns de euros. Segundo sinalou o Banco de España, após resolverse a poxa en decembro de 2013, as perdas para o Estado e para o Fondo de Garantía de Depósitos eran de 8.700 millóns de euros. Os resultados da entidade en posteriores anualidades, viñeron confirmar a súa viabilidade en solitario e o carácter ruinoso para o sector público da operación. Abanca obtivo até o feche de 2019 uns beneficios de 3.000 millóns de euros. Así, en 2014, o seu primeiro ano de actividade declarou unhas ganancias de 1.157 millóns de euros, superando o prezo da compra. Os beneficios continuaron nos anos posteriores, sumando 330 millóns de euros en 2015; un total de 333,6 millóns de euros en 2016; 367 millóns de euros en 2017; 430 millóns de euros en 2018 e 405 millóns de euros en 2019.
NOS_9337
A área de Cultura da Deputación de Lugo promove, desde hoxe, o ciclo de poesía multidisciplinar "Goxo de pano fino", dirixido polas artistas Ugía Pedreira e Marina Oural e que reúne doce creadoras e creadores da Mariña e mais do Occidente asturiano.
"Goxo de pano fino" é un proxecto que inclúe 12 pezas audiovisuais nas que os e as artistas se expresan a través da palabra, sexa esta escrita, declamada, improvisada ou rapeada desde o "refuxio creativo" de cada creadora e de cada creador. Así, ás voces poéticas de Ugía Pedreira, desde Vilavedelle, en Castropol, e de Marina Oural, en Alaxe, no lucense Val da Lourenzá, súmanse as de Quique Roxíos, Eloy Couceiro, Emilio López, Olalla Cociña, Moisés Cima, Vanina Bailone, Miguel Rodríguez Monteavaro, Eva Rosado, Alejandro Fernández e Kiko Poe. "O fío conductor do ciclo é unha liña de pensamento entre o íntimo do individuo que se engarza coa sociedade actual, convertendo o verso en patrimonio contemporáneo vivo desde a expresión popular e o espazo natural", explican as artífices deste evento en liña. "As creacións no goxo randean coa investigación da arte vinculada ao espazo físico rural, a un arquipélago diverso da poesía, ao corpo social, ao legado e ao compromiso cultural coas marxes que se tocan", explica Ugía Pedreira sobre o proxecto, que naceu, di, "na incerteza da pandemia mundial". As e os artistas expresaranse desde a comarca que habitan. E así, desde a Mariña porán voz, ademais de Marina Oural, Emilio López, na Escabelada da Lourenzá, e mais Olalla Cociña, desde Xove. Na parte occidental asturiana rimarán, ademais de Ugía Pedreira; Quique Roxíos, Miguel Rodríguez e Kiko Poe, desde Bual; Eloy Couceiro e Alejandro Fernández, en El Franco; Moisés Cima, en Cuaña; Vanina Bailone, desde Tapia de Casariego, e Eva Rosado, en Castropol. As pezas, cuxa montaxe é responsabilidade de Eloy Couceiro e na que a produción executiva vai da man de Mialma Produciois, vanse difundir a través de YouTube e das canles da Vicepresidencia da Deputación. Ao remate do ciclo, remitiranse a centros de ensino e culturais, salas de exposicións, bibliotecas e mais aos concellos nos que foron gravadas cada unha das intervencións artísticas.
PRAZA_2920
Rafael Louzán, presidente da Federación Galega, adianta que o equipo regresará no vindeiro ano, presumiblemente antes da Eurocopa de Francia, e anuncia que xa está a traballar nun posible rival, que podería ser Portugal ou un país latinoamericano.
A selección galega de fútbol regresará no vindeiro ano. Segundo adiantou a TVG, a Irmandiña regresará máis de sete anos despois do seu último partido e farao durante 2016, presumiblemente antes da Eurocopa de Francia que se celebrará entre o próximo mes de xuño e xullo no país galo. A FGF pretende que o regreso da selección se produza antes da Eurocopa do vindeiro mes de xuño "Imos intentar que puidera ser antes da Eurocopa e, senón, durante o transcurso de 2016", confirmou Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol (FGF) aos micrófonos da televisión pública. Mesmo anunciou que a FGF xa está "traballando" en posibles rivais e das súas palabras dedúcese que Portugal ou países latinoamericanos con forte presenza da emigración galega poderían ser os contrincantes. "Temos países que están relativamente preto e estamos traballando varias posibilidades; tamén hai países con moita vinculación con Galicia en América", dixo Louzán, que recolleu a luva lanzada nos últimos meses por varios xogadores galegos, especialmente por parte das dúas estrelas de Deportivo e Celta, Lucas Pérez e Iago Aspas. Ambos os dous, tanto antes como despois do último derbi, reclamaron o regreso da selección e amosáronse totalmente dispostos a vestir a súa camiseta. Portugal ou algún país latinoamericano con forte presenza da emigración galega serían os rivais con maiores opcións Non foron os únicos. Hai agora un ano, pouco despois de que Louzán accedese á presidencia da FGF, Fernando Vázquez, ex seleccionador galego e un dos seus principais valedores e apoio da Irmandiña, lanzara un órdago ao novo dirixente do deporte rei no país. "Que non se esqueza da selección", manifestara. Problemas con xogadores tampouco debería haber. A dificultade para atopar futbolistas de primeiro nivel naquela última etapa da selección contrapóñense agora coa importante cantidade de futbolistas de elite que reúne Galicia tanto en Primeira División como na Segunda, pero tamén en importantes ligas estranxeiras. Xuntando tan só os xogadores galegos de Celta, Deportivo e Lugo daría para unha convocatoria. Sergio, Jonny, Mallo ou Aspas, polo Celta, e Bergantiños, Juan Domínguez, Mosquera ou Lucas, polo Deportivo, son só algúns dos candidatos. Tamén Denís Suárez (Villarreal), Diego López (Milan), Iago Falque (Roma), Lucas Vázquez (Real Madrid), Angeliño (Manchester City), Trashorras (Rayo), Roberto Lago (Getafe) son outras opcións. Mesmo Thiago (Bayern Múnic) ou Rodrigo (Valencia) serían seleccionables, ao terse criado na canteira viguesa. Tamén importantes xogadores de ligas internacionais con ascendencia galega, como Nico Lodeiro (Boca Juniors), Jay Rodríguez (Southampton), Lamela (Tottenham) ou Ricardo Rodríguez (Wolfsburgo). Foi o 27 de decembro de 2008 en Riazor cando rematara o soño dunha selección galega que disputou catro partidos amigables por cada Nadal dos que o goberno bipartito permaneceu na Xunta. Uruguai, Ecuador, Camerún e Irán foran os rivais dun conxunto que permanecía imbatido pero que xa non existe. "Temos que elixir e a verdade é que aquel equipo da selección galega custou un millón de euros, e eu non estou para gastar un millón de euros niso; estou para intentar investir no deporte base e non para inventar outras cuestións", xustificaba Núñez Feijóo -obviando moitas veces o patrocinio empresarial co que contaba o acontecemento- cada vez que se lle preguntaba pola ausencia da Irmandiña, á que outros membros do seu Goberno acusaron de ser utilizada politicamente polo nacionalismo pasando por alto, entre outros aspectos, a presenza de dirixentes populares animando a selección no palco de autoridades.
NOS_16570
A emblemática e premiada obra de Miguel Anxo Prado Trazos de Xiz incorpórase ao galego da man de El Patito Editorial que publicará próximamente a agardada novela gráfica Ardalén.
A emblemática e premiada obra de Miguel Anxo Prado Trazos de Xiz incorpórase ao galego da man de El Patito Editorial que publicará próximamente a agardada novela gráfica Ardalén. Trazos de Xiz é a obra que marca un punto de inflexión na traxectoria de Miguelanxo Prado, o autor máis recoñecido da banda deseñada galega. A publicación da obra en galego coincide coa quinta edición en castelán (Norma) desta obra multipremiada que supuxo tamén o lanzamento de Prado ao panorama internacional. Chega as librarías en galego cando se agarda a saída nos próximos meses de Ardalén, unha novela gráfica longa na que o autor leva traballando máis de dous anos.O misterio e a linguaxe poética e metafórica agroman nesta obra que o propio autor significa na súa carreira artística. "Representa o libro que quere e busca. Racha co que está a facer, métese na casa e aposta forte. O resultado é unha obra singular, única e a súa consagración como autor" sinala Fausto Isorna, representante de El Patito Editorial. O autor de Golfiño recoñécelle a Prado non só o pincho que dá con este título senón o que supón para os debuxantes de banda deseñada no país. "Até Prado a historieta estaba considerada un xénero para nenos. Temos que agradecerlle a dignificación que a súa aparición supón para todos os profesionais. Unha revista como Golfiño non tería aparecido sen Miguelanxo Prado". De Ardalén, Miguelanxo xa deu a coñecer bosquexos na súa páxina web. Despois do seu traballo en De profundis, a aparición do novo título de Prado será unha feliz noticia tamén para El Patito Editorial que publicará a obra en galego ao tempo que aparece noutras catorce linguas o que, ao seu ver, supón un éxito nas xestións da edición de libros dun autor con esa presenza internacional en máis de catorce linguas.O libro Trazos de Xiz é o quinto dos publicados do autor na colección "Clásicos da Historieta Galega" na que a editorial, afincada en Compostela, quere recoller a obra enteira en galego do autor da Coruña. Stratos, Os Compañeiros, A Orde da Pedra e De Profundis son os títulos publicados até o momento. "A editorial aposta por rematar coa eiva que supón non contar coa obra do noso máis internacional autor en galego" apunta Fausto Isorna.
NOS_37815
Hai só unha década, en 2005, os nenos menores de 5 anos eran 101.700, polos 71.000 galegos que superaban os 85. Na actualidade os que teñen esa idade ou máis superan ás crianzas de 0 a 4 anos.
Menos poboación e cada vez máis vella. Cada estatística que se publica sobre a poboación galega é máis unha luz vermella que se acende para chamar a atención sobre un devalar que xa sobordou o preocupante para entrar directamente no alarmante. Tanto ten que os dados sexan do Instituto Galego de Estatística, como do INE (o equivalente a nivel de Estado) ou do mesmísimo 'Eurostat', a oficina europea de estatística. Emigración e baixa natalidade danse a man para conformar dous elementos principais dun combinado que conduce Galiza a ser un país envellecido e desertizado en grandes partes da súa superficie. As propias previsións do IGE sinalan que en 2024 os xubilados duplicarán en Galiza os menores de 20 anos Na Galiza xa son máis os habitantes que teñen 85 ou máis anos que as crianzas menores de 5: 108.813 fronte a 104.813. O ano anterior, 2014, aínda gañaban os nenos: 108.093 por 103.516 habitantes de 85 ou máis idade. Se nos retrotraemos a hai unha década, 2005, os nenos menores de 5 anos eran 101.700, polos 71.000 galegos que superaban os 85. As proxeccións a curto prazo feitas polo INE para Galiza indican que para o 2024 o país perderá 135.000 habitantes, o que supón a diminución do 5% da poboación en apenas dez anos. Unha merma que deixa especial pegada nas provincias interiores, nomeadamente Lugo, onde esa queda é do 9,6 por cento. Mais un dado para a preocupación é como as proxeccións amosan un progresivo envellecemento da poboación do país. Un envellecemento que levará a que en 2024 máis do 27% das e dos galegos teñan máis de 65 anos de idade. E tal e como indica o Instituto Galego de Estatística (IGE), o índice de envellecemento previsto para aquela é do 182%, o que significa que naquela altura por cada 100 menores de 20 anos que haxa en galiza haberá 182 maiores de 64. En 2015 só 3 das 53 comarcas galegas gañaron poboación: A Coruña (461 habitantes máis que en 2014), Santiago (160) e Pontevedra (195) Só 3 das 53 comarcas galegas gañaron poboación en 2015 En 2015 só 3 das 53 comarcas galegas gañaron poboación: A Coruña (461 habitantes máis que en 2014), Santiago (160) e Pontevedra (195). O resto, 50, ou estancaron ou perderon habitantes. Estas están sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense -que xa só acollen o 25% dos habitantes de Galiza. Comarcas como Terra de Trives, A Fonsagrada, Os Ancares, O Ribeiro, Baixa Limia ou Terra de Celanova perderon en apenas un ano entre o 1,6 e o 3,6% dos habitantes. Unha situación na que tamén atopamos comarcas da provincia da Coruña, como é o caso das de Muros, Ortegal ou Terra de Soneira. Cunha queda de habitantes de entre o 1,6 e o 0,7% están áreas como Verín, A Mariña, Xalla,as Barcala, Ordes, Terra Chá, Noia, Bergantiños... E entre ese -0,76% e 0 atopamos Vigo, Baixo Miño, O Salnés, A Barbanza, Ourense ou Terra de Lemos. Das 7 cidades principais de Galiza, 5 perderon habitantes durante o ano pasado. A situación é preocupante, reiteran expertos e analistas. Non é que o rural perda habitantes mentres a cidade os gaña. De feito, en 2015, só 2 das 7 cidades galegas con máis de 50.000 habitantes gañaron poboación. Foron Pontevedra (144 persoas máis) e Vigo (227). O resto, cara abaixo. Así, en termos númericos quen máis perdeu foi Ferrol, 586 habitantes menos en só 12 meses, situándose a súa pobiación por baixo dos 69.000 habitantes. Ourense perdeu 447 habitantes (fica en 104.000) e Lugo, 164 (96.969). Compostela perdeu 101 persoas no seu censo en 2015 (está en 95.988) e A Coruña, 66 menos (241.069). O 38% dos galegos viven nas sete principais cidades galegas, o que supón na práctica 4 de cada 10. O 75% dos galegos viven nas provincias da Coruña e Pontevedra.
NOS_50167
A Fruga chama aos gandeiros e gandeiras a se mobilizar esta sexta feira en Lugo por mor da "crise de sobrecustos de produción" que está a afectar especialmente ao sector.
A Federación Rural Galega (Fruga) vén de convocar, a través dun comunicado, unha concentración de gandeiros e gandeiras para esta sexta feira, contra as 12 horas, fronte a Delegación da Xunta en Lugo. O motivo, sinala a entidade, é que as explotacións agrogandeiras "estanse vendo afectadas por unha crise de sobrecustos de produción que pon en risco a súa viabilidade a curto prazo". Marcelino Fernández Mallo, economista e escritor: "Sábese desde hai anos do risco de desabastecemento" Así, Fruga lembra que o sector primario padece especialmente as consecuencias da pronunciada suba de prezos de diferentes materias primas e bens como "os carburantes, os concentrados alimentarios do gando, a tarifa eléctrica, os plásticos, os fertilizantes e outros insumos", que "supoñen un notábel incremento" dos gastos que, din, non vai parello a un aumento dos prezos de venda para as entidades produtoras. Neste senso, advirten do "abandono de funcións" das administracións competentes "no que respecta a medidas de carácter inmediato, como medidas a medio e longo prazo que contribúan a abaratar os custes de produción e conseguir que os prezos percibidos polo sector agropecuario, cando menos, cubran estes custos". O conselleiro de Medio Rural recoñece que "hai risco de desaparición do sector gandeiro" galego "A Galiza ten as condicións necesarias para poder desenrolar un modelo propio de agricultura, favorecendo o acceso a terra e deste modo diminuír a dependencia que hoxe temos, en exceso, de insumos cultivados fóra das nosas fronteiras", salientan. Para a Fruga, "só se precisa de vontade política" para impulsar un modelo de agricultura sostíbel e compatíbel co medio ambiente, que "é posíbel" no momento actual. "É o momento de facer valer que estamos ante a lexislatura do rural, sen que esta frase sexa un mero slogan publicitario", engaden.
NOS_33661
A candidatura galega lanza un vídeo pola visibilización das diversidades sexuais. VÍDEO NO INTERIOR.
#ParaVídeosNÓS é o hastag lanzado por NÓS, Candidatura Galega para encetar a serie de vídeos que partillarán através das redes sociais durante as vindeiras semanas. No primeiro, intitulado, Para divers@s NÓS, o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, beixa o candidato pola Coruña, Carlos Callón, xunto con Isabel Risco (nº2 da Coruña) e Navia Rivas, que tamén se dan un bico. Unha forma de rachar estereotipos e dar visibilidade ás liberdades sexuais. "Polos dereitos de todas e todas", pódese ler nas contas de Facebook e Youtube nas que foi pendurado. Esta é, aseguran desde NÓS, Candidatura Galega, "a primeira dunha serie de curtas", en total 9, coas que visan transmitir "propostas do programa ou valores" que defenden.Aliás, avanzan que "todos os vídeos xogan coa sorpresa, o humor e coa parodia". As pezas audiovisuais foron concibidas e realizadas por "artistas galegos" co que procuran, tamén, "pór en primeiro plano a creatividade" do país, "un dos valores que reivindica a candidatura", din. NÓS, Candidatura Galega encetou a súa pre-campaña após a convención decorrida o 22 de novembro en Compostela baixo o lema 'A forza do noso pobo' co que a coligazón eleitoral está a socializar a súa imaxe gráfica. Programa e código ético Aliás, vén de pendurar na web de Iniciativa pola Unión os resultados da votación telemática pola que se aprobou "por amplísima maioría", din, o programa electoral e o código ético da candidatura. No proceso, desenvolvido "entre a noite do 23 de novembro e o mediodía do 25 de novembro", participaron 994 persoas das que entre o 95-96% apoiaron a proposta desenvolvida polo grupo de traballo. No concreto, 950 dixeron si á proposta programática a 15 rexeitárona; fronte a 964 que apoiaron o código ético e 9 persoas que dixron non. Desde a Coordinadora Nacional da Iniciativa Pola Unión amosáronse agradecid@s, através dun comunicado público, pola "alta participación e interese amosado". A partir de agora, subliñan, "todo o protagonismo a partir deste momento debe ser xa para as mulleres e homes que son a cara visíbel deste proxecto", en referencia a aquelas que compoñen as candidaturas ao Congreso e ao Senado de NÓS, Candidatura Galega. Aliás, animan a faceren parte do voluntariado para a campaña ou de apoiar economicamente a candidatura.
NOS_17492
Sindicatos, profesionais sanitarios ou plataformas en defensa da sanidade pública sinalan que a situación do Hospital de Verín é consecuencia da supresión das áreas sanitarias que aprobou a Lei de Saúde de Galiza. O desmantelamento dos centros hospitalarios comarcais, denuncian, é un paso máis na centralización dos servizos nas urbes e na privatización da sanidade. "No Hospital da Costa houbo arredor de 400 nacementos o pasado ano, poderían empregar o mesmo argumento que en Verín para pechar o paridoiro", denuncia a plataforma en defensa da sanidade pública da Mariña.
En 2017 cidadanía e profesionais da saúde manifestábanse na rúa para protestar contra a remodelación do mapa sanitario debuxado polo Goberno galego. A Lei de Saúde da Galiza, aprobada no mes de decembro, borrou catro áreas sanitarias- o Salnés, a Mariña, a de Monforte de Lemos e a de Valdeorras-, incluíndoas en macroáreas que teñen como referencia os hospitais de maior envergadura e con servizos especializados das grandes urbes galegas. Desde entón sucedéronse as mobilizacións e sindicatos, profesionais e plataformas en defensa da sanidade denuncian que esta norma foi o primeiro paso no desmantelamento de hospitais comarcais como o de Verín. "Sempre afirmamos que a intención do Partido Popular era centralizar a asistencia nos grandes complexos sanitarios e desmantelar os comarcais, hoxe as nosas denuncias estanse a cumprir", lamenta a delegada nacional de CIG-Saúde María Xosé Abuín en declaracións a Sermos Galiza. "Tamén denunciamos que o plan de ordenación de recursos humanos aprobados pola Xunta forzou a xubilación de profesionais aos 65 anos sen planificar a súa substitución", engade. Montse Porteiro, integrante da Plataforma en Defensa da Sanidade na Mariña, declara a Sermos Galiza que as políticas da Xunta están encamiñadas a un "hospitalcentrismo". "Cando se aprobou a Lei de Saúde sinalamos que a Mariña deixaba de ter independencia, pasando a ter un hospital de referencia situado a máis de cen quilómetros de distancia", denuncia. Vicente Vázquez traballa no Hospital Comarcal de Monforte e pertence á plataforma comarcal en defensa da sanidade. Explica que a supresión da área foi "terríbel" para as comarcas. "Ademais da falta de persoal, este ano suprimiron o posto de subdirección de xestión en todos os hospitais comarcas, que se encarga de xestionar os seus orzamentos", declara a Sermos Galiza. Sen especialistas A Xunta e o Sergas argumentan que moitas das prazas de especialistas non se cobren por faltas de profesionais. En Verín, traballadores do Hospital sinalan que as especialistas da Área Sanitaria de Ourense non queren desprazarse polas comarcas do interior, motivando a concentración dos servizos no hospital da cidade das Burgas. "O PP aprobou un estatuto marco que recolle que o nomeamento dun profesional é nunha praza de área sanitaria. Antes eu tomaba posesión de praza en Ourense e atendía nesa área, hoxe tería que desprazarme a Verín ou ao Barco. É normal que os profesionais non queiran. O que hai que facer é incentivar aos profesionais, con medidas como a puntuación adicional que compense o traballo en zonas máis illadas ou periféricas, con cursos de formación e outras compensacións para eses profesionais", incide Abuín. O peche de servizos por unha suposta falta de especialistas é unha tónica que se repite en Monforte ou na Mariña. Vázquez denuncia que a situación do centro monfortino é cada vez máis precaria. "Levamos tres anos sen cubrir unha das prazas en medicina dixestiva, e o especialista da outra praza está a piques de xubilarse. A maiores unha das cardiólogas está de baixa e non a substituíron", denuncia. "A folla de ruta da Xunta é eliminar as especialidades dos hospitais comarcais, pois supón un grande aforro", declara. "Hoxe en día, no Hospital da Costa houbo arredor de 400 nacementos o pasado ano, poderían empregar o mesmo argumento que en Verín para pechar o paridoiro", alerta Montse Porteiro. Cidadanía de segunda "A eliminación das áreas sanitarias fíxose nos hospitais máis periféricos, os máis afastados dos grandes hospitais de referencia. É un agravio para a poboación, convírtenos en usuarios e usuarias de segunda categoría. Temos os mesmos dereitos que unha persoa que vive en Lugo, en Compostela ou en Coruña. Non estamos a pedir servizos moi especializados, demandamos os servizos básicos", demanda Montse Porteiro. Temos os mesmos dereitos que unha persoas que vive en Lugo, demanda Montse Porteiro María Xosé Abuín denuncia que a Xunta está a incumprir o principio de equidade na accesibilidade á sanidade pública. "A xente ten un acceso a sanidade en función de onde resida, con grandes penalizacións para as poboacións máis illadas ou para as persoas maiores que non se poden desprazar", sinala. "En comarcas como a de Valdeorras non hai transporte regular con Ourense, o cal implica que hai persoas que teñen que durmir na cidade para ser atendidas en consulta".
NOS_47603
O soberanismo volve mostrar o seu poder de convocatoria nunha mulitudinaria mobilización para rexeitar o xuízo aos líderes independentistas cataláns e defender o dereito de Catalunya a decidir libremente o seu futuro.
Ducias de miles de persoas volveron saír a rúa en Barcelona convocadas polo soberanismo. Desta volta para denunciar o xuízo iniciado esta semana no Tribunal Supremo contra líderes independentistas e para defender o dereito á autodeterminación. Aos convocantes habituais das manifestacións independentistas (Òmnium, ANC, ERC, CUP, Junts per Catalunya...) sumouse nesta ocasión Catalunya en Comú. A marcha enmárcase nun calendario de mobilizacións que ten unha cita importante o vindeiro día 21, coa greve xeral convocada en Catalunya. A Garda Urbana cifrou en 200.000 as persoas que se manifestaron e a organización, en 500.000 Xa antes das 17:00 horas fixada para o inicio da manifestación, a Gran Vía barcelonesa era un fervedoiro de miles de persoas procedentes de diferentes comarcas de Catalunya. Nun ambiente festivo e reivindicativo, a multitude ía enchendo o tramo dunha mobilización na que foi constante a demanda da liberdade para os presos políticos e as críticas ao sistema xudicial español. VÍDEO La manifestació enfila els últims metres cap a la plaça Universitat https://t.co/5bEZQO9dn7 pic.twitter.com/J1xXHyzcNb— NacióDigital (@naciodigital) 16 de febreiro de 2019 "Demandamos ao goberno español que escoite o pobo catalán, non se pode gobernar contra Catalunya", dixo o presidente catalán, Quim Torra, antes do inicio da marcha. "A autodeterminación é un dereito, non un permiso", concluíu. A cantidade de xente que asistíu á marcha provocou que tres cuartos de hora despois de comezar, a manifestación ficara parada en Gran Vía e Casanova onde os manifestantes xa non podían continuar a avanzar até a Praza da Universitat, onde remataba. A Garda Urbana cifrou a asistencia en máis de 200.000 persoas, unha cifra que a organización elevou a 500.000. Na Praza Universitat, Marcel Mauri, de Òmnium Cultural, fixo un apelo aos "demócratas españois" para que "apoien os dereitos fundamentais". "Apoiar a autodeterminación de Catalunya é apoiar a democracia en España", afirmou, para despois solicitar a Pedro Sánchez "que non sexa cómplice da fiscalía de Vox". De por parte, Elisenda Paluzie, presidenta da ANC pideu "non normalizar a represión política" e aproveitou para facer un chamamento a secundar a folga xeral do vindeiro 21 de febreiro. "É un orgullo o que fixemos xuntos: un refrendo contra o Estado". No acto final tamén interveu Ivette, dos CDR, que denunciou que o xuízo "dá alas ao fascismo de Vox e a un Estado que nunca fixo a transición".
NOS_33752
No mes de abril de 1942, os grupos de fuxidos do oriente da Galiza, en unión de bercianos e asturianos, darían oficialidade a unha realidade que xa se palpaba desde un ano atrás: xurdía de maneira oficial a primeira organización guerrilleira de todo o Estado. Pero, moito antes de chegar ao congreso fundacional de Ferradillo (O Bierzo), onde se debaterían e aprobarían os regulamentos da Federación, os fuxidos deron varios pasos cara a dita estruturación nun exército irregular.
Hai varios momentos chave na historia da guerrilla do noroeste, e o primeiro é outubro de 1937. Coa caída da fronte de guerra en Asturias e León, ducias de persoas emprenden o camiño de regreso cara ás súas zonas de orixe. Isto ten unha repercusión especialmente intensa nas comarcas de Valdeorras, Quiroga e O Bierzo, onde moi pronto van comezar a xurdir os primeiros grupos de fuxidos. Desde o ano 38 comezan a ter moita máis mobilidade e unha actividade maior. Amplían as súas zonas de actuación cara ao oriente da provincia de León ―especialmente na comarca de Cabreira― e cara ao sur, á raia con Portugal. Xa no mes de xaneiro de 1939, temos conta de nove grupos repartidos nesta bisbarra, con actividade e contacto entre eles. Pero, o longo dese ano, varios destes grupos comezan a desaparecer por mor da represión, nuns casos, ou das presentacións, noutros. O certo é que, a finais de 1939, as cousas no monte non teñen moita perspectiva de futuro e moitos destes fuxidos tentarán saír ao exilio a través de Portugal. Aséntanse moi preto da Galiza, na aldea de Sernande, onde toda esta historia volvería mudar nos últimos días dese mesmo ano 39, cando chega un grupo de 12 fuxidos asturianos. Para entón, os grupos están espallados entre Casaio, Cabrera, Valdeorras e Portugal, e os que quedaran en Sernande farían entender aos asturianos a imposibilidade de permanecer no lugar sen estar ben armados. O plan pasaría por volver cara a Asturias, coller armas e de novo regresar a Portugal, todo isto, cruzando a pé un territorio amplísimo, pero coa axuda dun dos fuxidos bercianos que faría de guía. A primeira parada deste camiño sería o núcleo central dos fuxidos do oriente da Galiza, os montes de Casaio. Apenas mes e medio despois da súa chegada, en febreiro de 1940, o grupo de asturianos chegaría a un dos lugares de maior repercusión na resistencia de todo o Estado e, alí, tomaría contacto co resto de fuxidos asentados nestes inmensos vales. Foi alí, nese mesmo momento, onde a historia da loita contra o fascismo daría un novo paso. Casaio O plan continuou sen maiores cambios e cara ao verán dese ano 40 o grupo de asturianos, agora incrementado con máis fuxidos, arribaría novamente aos vales de Casaio (Carballeda de Valdeorras), despois dunha viaxe carrexada de desventuras; fame, mortes, tormentas de neve a finais de xuño. A finais do mes de xullo comezaría un novo intento de saída a través da fronteira. E, novamente, este segundo intento sería un fracaso aínda máis profundo que o primeiro. Entre o mes de agosto do 40 e abril do 41, os restos dos grupos que se foron repartindo entre Sernande, Porto, Castro Laboreiro, Valdeorras e Cabreira irían retornando e reuníndose nos montes de Casaio. E daríanse conta da nova realidade: non quedaba outra que continuar resistindo desde as montañas e esperar. E desde esa nova perspectiva, os grupos fuxidos deciden organizarse, deixar de ir cada quen o seu e buscar a fórmula de resistir dun xeito máis ou menos seguro. Nese mesmo verán, farán unha intensa campaña de accións económicas que lles van permitir dar outro paso moi pouco usual nunha loita guerrilleira: asentarse nun lugar. A comezos do outono de 1941 nacería un lugar emblemático para o futuro da guerrilla do noroeste: a "Ciudad de la Selva". A Federación vai destacar pola súa unidade no político, prohibindo de maneira expresa a propaganda partidista e primando o antifascismo como lema básico da súa loita Este espazo, tan diáfano no seu nome, estaba conformado por un conxunto de chozos en varios dos vales de Casaio; Os Burgozos, As Morteiras, A Bruña. É neles onde estes grupos de guerrilleiros en cernes terían unha cousa da que adoeceran até o de agora: tempo e tranquilidade. Desa mestura van darse os pasos definitivos cara ao futuro e, especialmente, vanse asentar as bases do que ía ser a primeira organización guerrilleira de todo o Estado. O congreso do Ferradillo Coa tranquilidade aportada pola "Ciudad de la Selva", no mes de decembro de 1941 os grupos, agora xa si, de guerrilleiros darían forma ao primeiro regulamento da por entón chamada Federación de Guerrillas Populares. Neste regulamento, eses grupos máis ou menos dispersos e illados de fuxidos vanse converter nunha unidade guerrilleira dividida en dous estamentos. O exército da república, desfeito desde outubro do 37, organízase de novo catro anos despois, concretado a súa primeira xuntanza no tan renomeado congreso fundacional de Ferradillo, no mes de abril de 1942. Xa desde ese primeiro congreso, comezou un proceso de crecemento e organización que levou á súa primeira estrutura estábel: o Comité Director, formado polo xefe e tres axudantes; e cinco zonas de actuación con xefatura e axudante de xefatura ―Bierzo, Cabrera, Casaio, Valdeorras e Ancares. Ao longo dese ano e mediados do seguinte, crearíanse dous novos grupos e modificaríanse os regulamentos, aprobados no segundo congreso, decorrido xa na "Ciudad de la Selva" no mes de maio de 1943. Neses primeiros meses, a Federación vai destacar por varias cuestións. Unha é a súa unidade no político, prohibindo de maneira expresa a propaganda partidista e primando o antifascismo como lema básico da súa loita. E, por outro lado, o seu illamento das organizacións dos exilios interior e exterior. Este segundo acabaríase a mediados do 43 cando, por mediación das familias dos guerrilleiros asturianos, a Federación tomaría contacto cunha representación da Unión Nacional Española (UNE). En setembro dese mesmo ano pasarían a formar parte de maneira oficial desta organización, presentada polo seu representante como unha organización unitaria e antifascista, na que estaban representadas todos os partidos. Deste xeito, a Federación de Guerrillas Populares pasaba a formar o I Corpo da Federación Nacional de Guerrillas de Unión Nacional A evolución da organización continuaría nos meses e anos seguintes, realizando diferentes plenos e congresos guerrilleiros, coa elaboración dun xornal, El Guerrillero ―editado entre Santalla e Carucedo, ambos no Bierzo e Ramalledo (Montecubeiro, Castroverde)― e coa creación das Agrupacións. Serían estas a maior novidade en canto o esquema orgánico, creando a I, xeograficamente adscrita á provincia de León, no mes de setembro de 1944, no IV Congreso. A II, correspondente á provincia de Ourense, sería creada pouco despois do V Congreso, decorrido no mes de marzo de 1945 na "Ciudad de la Selva" e estaría dirixida polo asturiano Mario Morán, o andaluz Florencio Pérez e o galego Eduardo Pérez Veiga, contando con catro guerrillas estabelecidas en Casaio, Viana, Valdeorras e Trives. Tamén crearían unha III Agrupación, neste caso abarcando as provincias de Lugo e A Coruña, no mes de agosto de 1945. Pero esta última sería a que traería consigo os maiores problemas estruturais da Federación. Esta nova Agrupación estaría controlada dunha maneira directa polo Comité Provincial do PCE de Lugo, rompendo deste modo a unidade e o apartidismo regulamentados pola Federación. Os desencontros entre Marcelino Fernández 'Gafas' e Marcelino Rodríguez 'Marrofer' serían unha constante durante os meses seguintes, chegando á separación da citada Agrupación da Federación no mes de decembro dese mesmo ano 45. O final da Federación A crise que se abriu coa separación da III Agrupación non quedaría aí, senón que acabaría por provocar o súbito final da Federación. Desde meses atrás, a influencia do PCE e dos guerrilleiros vencellados ao mesmo notouse dun xeito moito maior nas filas da Federación. E esa loita polo control da guerrilla entre federados e comunistas ―que, realmente era unha loita entre Unión Nacional, do PCE, e Alianza Democrática, do resto de organizacións políticas no exilio―, estouparía durante a realización do VI Congreso, no mes de xaneiro de 1946, nos vales de Casaio. Tras a votación e aprobación da separación da Federación de UNE, os guerrilleiros comunistas decidiron escindirse da organización guerrilleira. E os guerrilleiros que si seguiron federados mudarían unha outra vez o nome da organización, chamándoa, agora si, a Federación de Guerrillas de León-Galiza. A desaparición de facto da Federación prodúcese en xullo de 1946, malia que moitos dos homes e mulleres que formaban parte das súas estruturas seguirían varios anos máis nas montañas do Bierzo e da Galiza A esas liortas internas vaise unir o factor máis determinante nos continuos pasos atrás que os grupos guerrilleiros ían sufrir desde ese momento: a represión. Esta, comezou xa no mes de xuño de 1945, coa morte de tres guerrilleiros e dous enlaces en Columbrianos (Ponferrada) e seguiría coa desarticulación dunha boa parte da rede de enlaces que mantiña as comunicacións pola antiga estrada N-120 entre Ponferrada e O Barco de Valdeorras ―serían detidas un total de 124 persoas―. E este avance das forzas policiais da ditadura acabaría por levalos ao corazón da loita guerrilleira, á propia "Ciudad de la Selva". No mes de xullo do ano 46, tras algúns acercamentos entre guerrilleiros federados e comunistas, desenvolveuse unha nova xuntanza nos vales de Casaio, nomeada como o congreso da reunificación. Durante o transcurso do mesmo, producíronse varios ataques contra os puntos ocupados polos grupos de resistencia, acabando de xeito consecutivo cos campamentos do val das Morteiras e da Bruña. E nun terceiro ataque, o día 27 de xullo, acabaría coa vida dos guerrilleiros Arcadio Ríos e Francisco Elvira. Tras o ataque, os grupos dispersaríanse entre O Bierzo, Ourense e Lugo. O Estado Maior non volveu xuntarse nunca máis e as estruturas vangardistas da Federación desfaranse case por completo. É deste xeito que poderíamos afirmar a desaparición de facto da Federación de Guerrillas de León-Galiza a partir do mes de xullo de 1946, a pesar de que moitos dos homes e mulleres que formaban parte das súas estruturas seguirían aínda varios anos máis nas montañas do Bierzo e da Galiza.
NOS_7164
A frustración da sociedade arxentina ante a falta de avances nas promesas sociais do peronismo no seu regreso á Casa Rosada en 2019 levou a coalición de Goberno a sufrir un duro revés nas PASO, as primarias para elixir os candidatos ás lexislativas de metade de lexislatura. Unha 'enquisa' moi certeira, do que está por vir, tamén en 2023.
"Dura derrota do Goberno en case todo o país, que pon Xuntos polo Cambio (JxC, nas siglas en español) en carreira para 2023", titulaba esta segunda feira o diario Clarín (anti-kichnerista), un día despois da votación nas eleccións Primarias Abertas, Obrigatorias e Simultáneas (PASO) que se desenvolveron o domingo na Arxentina. "Forte suba das accións arxentinas en Wall Street no premarket tras a derrota do Goberno", salientaba pola súa banda La Nación (conservador). E cun "Alerta amarela" titulaba Página 12 (progresista), analizando que "o manifesto nas urnas exixe rectificacións, melloras, realizacións, autocrítica en acción. O Goberno debe relanzar a xestión para mellorar a vida dos arxentinos". As PASO son unha especie de enquisa ─mais oficial, tanxíbel e moi certeira─ de cara ás lexislativas de dentro de dous meses. O 14 de novembro están en xogo 127 asentos dos 257 do Congreso e 24 dos 72 do Senado. Este sistema de eleccións primarias, inaugurado en 2011 para "a democratización da representación política, a transparencia e a equidade electoral", é unha forma de peneira. Ademais de designar que candidatos concorrerán ás parlamentarias, os partidos deben lograr un mínimo de 1,5% para non seren descualificados. Pobreza e escándalos O domingo, o peronismo recibiu un importante castigo, perdendo 1,2 millóns de votos con respecto ás presidenciais de 2019, un resultado que de se confirmar o 14-N significará a perda da maioría no Senado e que a dereita aumente a súa primacía no Congreso. Ademais, colocaríaa, tal e como destacaba Clarín, na pole da carreira pola Casa Rosada. A Fronte de Todos (FdT), a coalición no Goberno arxentino, foi derrotada en 18 da 24 xurisdicións do país. Perdeu, entre estas, na provincia de Bos Aires, que suma máis de dous terzos de todo o padrón a nivel nacional. Ademais, JxC arrasou na capital, conservou as provincias chave de Córdoba e de Mendoza e gañou en territorios tradicionalmente peronistas como La Pampa, Tierra de Fuego e Santa Cruz, berce do kirchnerismo (o peronismo máis á esquerda). Alberto Fernández, de perfil máis moderado, chegou en 2019 á Presidencia da man de Cristina Fernández. Daquela, a viúva de Nestor Kirchner púxose nunha posición non central para amortecer o rexeitamento visceral que xera no antiperonismo. Desta volta elixiu dar un paso á fronte na campaña ante a igualdade que vaticinaban as enquisas ─aínda que non esta gran vitoria da dereita─. O pobo arxentino, con cotas de pobreza que se aproximaban a 40%, castigou en 2019 o entón presidente, Mauricio Macri. Mais a día de hoxe o nivel de pobreza alcanza xa 42%; a capacidade adquisitiva diminuíu en 10%; a recesión continúa (o PIB tamén caeu dez puntos en 2020); e a inflación (máis de 51% no último ano) non para de medrar. A todo isto sumouse a filtración aos medios de comunicación das fotos da festa de aniversario de Fabiola Yáñez, parella de Alberto Fernández, na finca presidencial de Olivos en plena corentena pola pandemia do ano pasado. De nada valeron os ultimísimos datos que apuntan unha lixeira recuperación económica e unha menor afectación da Covid-19 (a maioría da poboación agarda pola segunda dose da vacina). Máis kirchnerismo Agora, as análises políticas a un e outro lado do arco ideolóxico apuntan unha remodelación forzada dentro do Goberno, cunha maior implicación das vertentes kirchneristas como La Cámpora, formación cofundada por Máximo Kirchner, fillo de Cristina e Nestor. A presión interna que soportará o presidente Alberto Fernández nas próximas semanas será fortísima. Neste sentido, a dereita tamén aposta por unha arelada e enésima división dentro do peronismo. Desde o final da ditadura, o peronismo unido tan só perdeu catro comicios: as presidenciais de 1983 (gañadas por Alfonsín) e as de 1999 (gañadas por De la Rúa) ─os dous, por certo, de ascendencia galega─, así como as lexislativas de 1985 e de 1997. "Evidentemente algo non fixemos ben. Dos erros aprendemos", sinalou o domingo un compunxido Alberto Fernández. "Nada é máis importante que escoitar o pobo", engadiu na súa comparecencia desde a sede central da FdT, acompañado por Cristina Fernández, tamén visiblemente afectada. ⭕ EN VIVO | Comando electoral del Frente de TOD☀️S https://t.co/Oyfu0XEgra— TOD☀️S (@FrenteDeTodos) September 13, 2021 Esta segunda feira, o xefe de Gabinete do presidente, Santiago Cafiero, sinalaba que "o peronismo ten que recuperar a rúa". Mentres que o alcalde de Ensenada, un dos poucos municipios da provincia de Bos Aires onde a FdT gañou, aseguraba: "Cando queremos agochar o kirchnerismo non nos vai ben, temos que facer unha análise; cando o kirchnerismo se pon en valor se gaña". O "fenómeno Vox" triunfa en Bos Aires Con 98,65% das mesas escrutadas, Javier Milei obtivo 13,66% dos votos e convértese en terceira forza na cidade de Bos Aires. Milei, un expoñente da ultradereita mediática, saltou á política activa cun discurso contra as elites ("ten medo, a casta ten medo", cantaba eufórico o domingo) que callou entre unha xuventude defraudada cos partidos clásicos. Máis de 861.000 persoas de 16 e 17 anos debutaron nas PASO. No polo oposto, tamén cun gran resultado, está a Fronte de Esquerda (FIT), que foi terceira a nivel nacional con máis dun millón de votos. A candidata a deputada Myriam Bregman salientou en 'Radio 10' que "é a mellor elección en 10 anos das PASO". Sobre Milei dixo que en Bos Aires "se está a ver un fenómeno moi parecido ao de Vox en España". "Nada bo pode vir para os traballadores desde un sector da dereita clásica que se radicaliza e suma coa dereita militar", sostivo.
NOS_13801
O pasado mes de outubro o filólogo Xavier Senín foi nomeado académico correspondente pola Real Academia Galega. O Ministerio de Cultura vén de recoñecer o seu labor como tradutor outorgándolle o Premio Nacional. Conversamos con el sobre literatura e arredor da relación entre a tradución e a conciencia da lingua.
En primeiro lugar, parabéns por este Premio Nacional á obra dun tradutor. Que significado ten para vostede? É unha honra, síntome moi ben pagado por todo o que fixen e espero que sirva de algo para o país, para remover conciencias, e se pode servir para que o país progrese e cambie, e para que a nosa lingua sexa máis protexida e máis utilizada, moito mellor. Posúe unha longa bibliografía de obra traducida, de modo individual ou colectivo. Foi o afán por "remover conciencias" o que o levou a realizar esta tarefa? Hoxe en día, desde logo. Agora ben, empecei a traducir un pouco por casualidade e por necesidade. Era un momento no que había poucas traducións, empezabamos a saír as primeiras promocións que estudaban galego na universidade e había que arrimar un pouco o ombreiro. Pódese dicir que tiña en conta a necesidade de remover conciencias pero igual un pouco en segundo plano, iso veu despois, fun tomando conciencia pouco a pouco ao ir falando e traballando con outra xente, con profesores, con colegas. Ten traducidos clásicos do francés e do inglés e tamén moita obra catalá. Responde a unha selección persoal? Algúns dos libros que traducín foron escollas persoais, pero teño que dicir que eses foron os menos. Colaborei, naquel primeiro momento, con Galaxia ou con Argos Vergara, e a escolla facíaa a editora. Pero nos dous casos preguntaban quen podía escribir un libro para unha determinada colección e aí xa tiven a opción de dar a miña opinión sobre xente que podía interpretar, e tamén sobre obras que podiamos traducir. Que obras salientaría, ben polo gusto que supuxo a súa tradución ou ben pola dificultade que tivo facelo? Teño que destacar o Quixote, que foi un proxecto colectivo coordinado por Valentín Arias, que fixo un traballo inxente e que Galiza nunca llo chegou a agradecer; aínda que levou un Premio Nacional de Tradución xunto con Raquel Villanueva. E teño moi bo recordo desa tradución, polo traballo que nos levou e porque foi un reto moi, moi importante. Tamén a tradución do libro de María Víctoria Moreno, Alcores de Donalvar, ademais pola emoción de que ela xa morrera. E logo, os Astérix, porque son moi difíciles e supón un reto para nós. Empezamos Valentín Arias, Isabel Soto e mais eu e agora está con nós Alexandre Tobar. Eses libros foron unha proposta marabillosa, que partiu dunha iniciativa parlamentaria do BNG. O último que saíu, O menhir de ouro, vertémolo para o galego e mais para o castelán. E agora o que máis recordo é A peste, de Camus, que interpretamos Isabel e mais eu haberá tres ou catro anos. Daquela non pensabamos que a situación de Orán fose posíbel, toda a cidade confinada durante meses... Tamén supuxo un reto moi importante e, hoxe en día, vémolo doutra maneira. En que proxectos está a traballar agora mesmo? Estou con varias cousas. Unha tradución para Hugin e Munin e outra para Xerais. Neste caso un Astérix, que será Astérix nas Olimpíadas ou Astérix nos Xogos Olímpicos, que é unha obra que xa saíu pero que a editorial quere sacar o ano que vén nunha nova versión, a ver se Xapón pode celebrar os xogos no ano 2021. E tamén fago cousas para min, que eu mesmo edito, a nivel familiar, fago traducións para festexar o casamento dos meus fillos, o aniversario da miña muller... Pero ten nome e todo a editorial, Novelúa, que é como se chama a aldea de Monterroso da que é a miña muller. "Nos 80 necesitábase moita obra infantil" A Literatura Infantil e Xuvenil é outra das áreas de traballo de Xavier Senín, que lembra, "necesitábase, realmente, moita obra infantil porque non había nada ou había moi pouco, e logo tamén tiven a honra de traballar noutros campos a prol da Literatura Infantil e Xuvenil". Ao valorar a situación actual, non só da tradución senón da creación literaria xuvenil, Senín comenta, "antes podías ler todos os libros que saían no ano, nos 80, agora é imposíbel pero non só hai que falar de número, senón de calidade". E recalca que "basta ver que con moitos dos nosos autores e autoras que publican en castelán, inmediatamente sacan a tradución ao galego e, ás veces, até ao mesmo tempo, e isto demostra que hai moita calidade". "Cambiou moitísimo a situación para ben e as nosas crianzas, e a mocidade, teñen o que merecen, realmente", conclúe Xavier Senín.
NOS_21906
Os 4,4 millóns que Juan Carlos I depositou en Facenda "sen requirimento previo" -segundo di o seu avogado- serían cartos prestados por empresarios e amigos españois do rei emérito que foron reunindo fondos até alcanzar eses máis de 4 millóns. Ao seren préstamos e non doazóns, Juan Carlos I non tería que tributar por esa cantidade.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, expresou o seu "rexeitamento" ás "condutas incívicas" do rei emérito, Juan Carlos I, tras coñecerse a súa segunda regularización fiscal, á vez que saíu en defensa de Felipe VI e da Coroa. Nunha rolda de prensa na Moncloa, Sánchez recoñeceu que este tipo de noticias xeran "sentimento de perturbación e incomodidade" no Goberno, pero recalcou que "non se están a xulgar institucións" senón o comportamento dunha persoa en concreto: Juan Carlos I. Así, recalcou que non se está cuestionando "a Casa Real nin a Coroa" e fixo unha firme defensa do actual rei, que na súa opinión "marcou un antes e un despois a favor da exemplaridade, a transparencia e o bo uso dos recursos públicos" e que conta con todo o seu apoio, exclamou. Sánchez defendeu que "se alguén cometeu irregularidades o que ten que facer, faltaría máis, é reparalas", e respecto ás "condutas incívicas" do emérito manifestou "de forma rotunda" os seu "rexeitamento". "Sinto o mesmo rexeitamento que a maioría da cidadanía española", recalcou. Juan Carlos I pagou 4,4 millóns de euros para saldar a débeda con Facenda polos cartos dos que se beneficiou da fundación Zagatka para custear viaxes privadas de 2003 a 2018. Esta é a segunda regularización fiscal de Juan Carlos I que se coñece, e chega logo de ter realizado outra o pasado mes de decembro por 678.000 euros. Segundo informou a Cadena Ser, os 4 millóns serían cartos prestados por "un grupo de empresarios e amigos españois" do emérito. Tras estas regularizacións, coas que evitaría delitos fiscais, estaría a súa pretensión de voltar a España. O presidente do grupo parlamentar de Unidas Podemos, Jaume Asens, discrepou de Sánchez: "Non son condutas incívicas", dixo, "é criminalidade". Pola súa banda, as forzas nacionalistas BNG, ERC, Junts, PDeCat, a CUP e Bildu uníronse para pedir explicacións á ministra de Facenda por este segundo pago do emérito. A renovación do Poder Xudicial, de novo á deriva Pedro Sánchez tamén se referiu na rolda de prensa de Moncloa ao PP para instalo a levantar os vetos que impiden chegar a un acordo para a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). Precisamente, o PP recoñeceu esta sexta feira, 26 de febreiro, que o bloqueo no CXPX mantense aínda polos seus vetos a dúas propostas que defende o Goberno para as vogalías: a da maxistrada Victoria Rosell (actual delgada do Goberno para a violencia de xénero) e a do xuíz José Ricardo de Prada, un dos autores da sentenza da Gürtel que motivou a moción de censura contra Mariano Raxoi. O líder dos populares, Pablo Casado, explicou no cumio do partido que non aceptarán eses nomes, chamando agora a "despolitizar" o órgano de Goberno dos xuíces. Liberdade sexual Pola súa banda, a delegada do Goberno Victoria Rosell manifestouse para restar importancia ao informe crítico que o CXPX emitiu contra a lei de liberdade sexual que prepara o Goberno. O ditame do Poder Xudicial critica os aspectos máis destacados da lei, como a definición de consentimento ou a absorción do delito de abusos sexuais no de agresión sexual. Rosell asegurou que o ditame "non é tan contundente" como outros anteriores do CXPX en relación a leis como a do matrimonio, que o órgano de Goberno dos xuíces chegou a comparar coa "poligamia e a zoofilia", dixo.
NOS_30325
O BNG presentou no Congreso unha moción que foi rexeitada por PP e PSOE para que, no caso de non se concretar para a venda de Alcoa San Cibrao, o goberno optase pola intervención pública para a nacionalización da planta de aluminio.
PP e PSOE votaron esta quinta feita en contra da moción presentada polo BNG na que se apostaba, no caso de fracasar a negociación para a venda da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo), pola intervención pública para a nacionalización da planta de aluminio de forma que se garantise a continuidade da actividade e dos postos de traballo. A formación nacionalista advertiu que de non se lograr un acordo para a súa venda se non hai unha nacionalización podería fechar a factoría e provocar unha catástrofe económica e social para toda a comarca. Néstor Rego, deputado do BNG, afirmaba que non entendía "como o Goberno español non aposta pola nacionalización da factoría, que xa no seu día foi pública e que nunca debeu ser privatizada". Continuarán as mobilizacións do comité O comité de empresa da planta de Alcoa San Cibrao subiuse onte á Muralla de Lugo para descolgar unha pancarta baixo o epígrafe 'Non se vive do turismo' e reclamar a continuación da actividade na factoría. O seu presidente, José Antonio Zan, confirmou que as negociacións con Liberty House "non están rotas" mais Alcoa está a entorpecer o proceso "cun contrato de cinco anos e deixar entrever o que pasaría coa planta de alúmina neses cinco anos". O comité asegura que para a semana vindeira continuarán as mobilizacións. Desde Alcoa aseguran nun comunicado que GFG Alliance (Liberty House) "mantén as súas demandas non razoábeis polo que pon en risco o proceso de venda" como a de non comprometer recursos financeiros propios para a viabilidade da planta.
NOS_51440
José Manuel Pérez Afonso 'Josito', era responsábel da área interna a nivel galego.
O candidato nas eleccións municipais de maio de 2019 de Podemos en Lugo, José Manuel Pérez Afonso 'Josito', presentou a súa dimisión como responsábel da área interna a nivel galego do partido morado, aínda que seguirá como secretario local da organización na Cidade das Murallas. En declaracións a Europa Press, 'Josito' Pérez di que se vai "por responsabilidade e coherencia" despois dos resultados das eleccións galegas do 12 de xullo, nas que figuraba como número tres da coalición Galicia En Común-Anova Mareas pola circunscrición de Lugo. Pérez cre que os resultados de En Común "foron un trompazo sen paliativos" para os que non caben "escusas" despois de que a alianza encabezada polo líder de Podemos Galiza, Antón Gómez-Reino, quedase forado Parlamento galego. Así as cousas, considera oportuno dar un paso á marxe para deixar que as e os seus compañeiros de partido "sigan traballando" para "reconstruír o proxecto" da formación morada. Con todo, 'Josito' Pérez continuará como secretario xeral municipal de Podemos en Lugo, cidade onde foi cabeza de lista nas locais de maio de 2019, nas que o espazo político rupturista concorreu dividido en tres listas. Ningunha delas logrou representación. "Seguirei traballando no meu territorio", apuntou Pérez, que cre que a súa dimisión da executiva galega debe entenderse "como algo democrático e san". Así as cousas, Pérez Afonso considera que Podemos Galiza ten agora que "construír unha organización centrada no territorio" e "escoitar ás bases", ademais de ter sempre "un pé na rúa".
NOS_5818
A CIG reaxiu este sábado ao novo decreto aprobado onte polo Goberno español. O secretario xeral, Paulo Carril, sinalou que o documento "volve ser unha fraude", polas diferenzas, dixo, que hai entre o que se di nas roldas de prensa e o que se publica no BOE.
Carril criticou a "non retroactividade" das medidas, pois deixan "completamente desprotexido o persoal temporal e de Empresas de Traballo Temporal (ETT), que foi despedido sen piedade nas últimas semanas". "Tampouco se dá solución para quen solicitou sen resposta a adaptación ou redución da xornada laboral, para as empregadas do fogar, nin hai certezas nas contías e datas de cobro do desemprego", sinalou. En relación aos ERTE, Carril asegurou que a "axilización" do procedemento para revisar as causas vai dar lugar a un recoñecemento masivo e "por defecto" que propiciará moitos abusos empresariais. Aínda que se abre a porta á revisión deses abusos e se estabelecen sancións para aquelas solicitudes que se consideren fraudulentas "a propia medida confirma que o sistema de ERTE xeneralizados é un convite á fraude empresarial". O secretario xeral da CIG cargou contra UXT e CCOO por, xunto coa patronal, asinar un acordo o pasado 12 de marzo "que sentou as bases deste camiño que hoxe se demostra fatal". Na comparecencia, que tivo lugar antes de coñecerse as novas medidas decretadas polo Goberno estatal, Carril volveu reclamar a paralización de toda actividade non esencial e de actuacións sociais que contribúan a paliar a situación.
NOS_50505
Iván Varela e Paula Otero son dous doutores e divulgadores científicos que veñen de lanzar o seu novo proxecto audiovisual Ciencia en Tal. O programa, que terá formato multisección e vai ser emitido en Twitch, busca afondar na divulgación de información de carácter científico en lingua galega e dun xeito ameno e informal. Non é o seu primeiro proxecto deste tipo, polo que a súa experiencia no ámbito da divulgación asegura tanto a calidade dos seus contidos como o atractivo dos mesmos.
Cando tiveron a idea de crear Ciencia e Tal? Para que?Ciencia e tal é a continuación dun proxecto previo de divulgación, A Camisola, co que comezamos esta aventura no Twitch, que consistía en conversar en directo con personalidades galegas de referencia relacionadas con distintos eidos. Quixemos mudar lixeiramente o formato das retransmisións, e apostar por un ton máis distendido e informal, ademais de crear un espazo que xire arredor de xente máis nova. convencidos de que, se ben aínda ten moito por facer, tamén ten moito que contar. Pensamos que é importante que se fale de ciencia, que se faga de maneira rigorosa e atractiva. Crear iniciativas que acheguen á xente ao coñecemento científico. Esta pandemia está a demostrar que é preciso potenciar a base científica da sociedade para evitar que argumentacións absurdas e insultantes resulten atractivas polo seu reducionismo e o descoñecemento de quen as escoita. Como é o funcionamento do espazo de divulgación?Trátase dun espazo multisección, baseado na retransmisión dun programa en directo cada semana, que quedará gravado e almacenado nas nosas redes. Así poderá visualizalo quen queira en calquera momento. Queremos que sexa unha plataforma aberta a todas, que acolla a xente relacionada coa ciencia, pero tamén a outra que non o estea tanto, e que intente crear comunidade mediante a interacción constante con todas aquelas persoas que nos sigan dun xeito ou doutro. Que tipo de contidos adoitan tratar nos programas?Abordaremos temas relacionados cos distintos eidos científicos, máis ou menos actuais. Por explicalo de xeito ilustrativo, imos falar do último artigo publicado na revista científica x, pero tamén do que di a ciencia sobre aspectos que envolven o noso día a día, como por que se lle engade piña á pizza, por que a algunhas persoas o coriandro lles sabe a xabón e a outras non, até onde poderiamos chegar se estiramos o ADN das nosas células ou por que os paxaros carpinteiros non rematan o día con dor de cabeza, por citar algúns. A ciencia ten respostas para case todo, e aseguramos que as temáticas das que falaremos non van deixar indiferente a ninguén. Por que decidiron optar polo formato que ofrece Twitch? Porque cando decidimos avanzar co proxecto xa existían dous espazos de divulgación científica en galego nesa plataforma, Ecos de Xigantes e Balea Vermella. Ademais de ser pioneiros, son auténticas referencias, e queremos recomendar os seus contidos encarecidamente. Nós vimos do mundo do podcast e, se acaso, do da divulgación máis básica, polo que nos pareceu tan interesante o que estaba facendo esta xente, que quixemos tirar tamén por aí. Ademais, a dinámica do Twitch é moi atractiva, pois permite un nivel de interacción moi elevado coas persoas que están a seguir o directo. E para nós non hai mellor maneira de aprender que tratando de involucrar a toda a xente que teña un certo gusto pola ciencia. É importante que existan iniciativas que pulen pola difusión de coñecementos (no seu caso, científicos) na lingua galega? É importante, e cada vez máis, pois a lingua é un patrimonio dun valor incalculábel que ninguén vai coidar por nós. Ademais, abonda con botarlle unha ollada ao Twitch en Galego ou ao Podgalego para decatarnos de que hai persoas creando contido na nosa lingua dunha calidade enorme. E, respecto ao eido científico, somos conscientes de que se aínda hai ámbitos nos que a día de hoxe o galego está desprazado ou infraempregado, a ciencia é un deles, e isto ten que rematar de mudar.
NOS_49695
A plataforma Galicia Baleira critica o estado de abandono no que se atopan as persoas maiores, especialmente no medio rural, e demanda un plan "sistemático" de acompañamento financiado con cartos públicos.
"Estamos nun momento crucial", aseguran desde a plataforma Galicia Baleira. Segundo denuncian nun comunicado, a pandemia do novo coronavirus sacou á luz o estado de abandono no que se encontran as persoas maiores. "Moitas viven soas, sen ter con quen conversar, a veces sen comida ou con escaseza de alimentos; noutros casos, enfermos. Non hai quen os atenda, quen os acompañe ao centro de saúde ou ao hospital, e moitos falecen sos, sen ninguén ao seu lado". O colectivo mantén que é o momento de reverter esta situación, de corrixir as desigualdade e de acabar cun "modelo socioeconómico inaceptábel e desmesurado, que fomenta o crecemento urbano e esquece as aldeas". Acompañamento Para iso, Galicia Baleira avoga por darlle unha volta ao sistema actual para que coide das persoas maiores. "Cómpre un plan sistemático de acompañamento financiado con cartos públicos, non procedentes de fondos voitre ou empresas que xestionan as residencias co único ánimo de lucro". Neste sentido, a plataforma reclama máis residencias da terceira idade, tanto nas cidades como no medio rural, de xestión pública, atentas coas necesidades sociais e sanitarias das persoas usuarias, mais tamén das profesionais coidadoras, suficientes e sen contratos precarios. Servizos sociais no rural Galicia Baleira pide reforzar os servizos sociais, tamén no rural, un medio que debe ser "integrado" na rede de infraestruturas, servizos médicos, alumeado público e de comunicacións co fin de favorecer o seu desenvolvemento integral. Así, insta á Xunta da Galiza a "deseñar programas institucionais de acompañamento das personas maiores e economicamente dependentes, ademais de reforzar a xestión dos Concellos para que poidan contribuír a través dos seus servizos sociais".
NOS_1768
O Goberno portugués anuncia o confinamento de 121 municipios desde o vindeiro 4 de novembro polo elevado risco elevado de contaxio de coronavirus. A medida alcanza 70% da poboación, 7,1 millóns de persoas, e deixa fóra das restricións actividades como traballar, ir ao colexio ou comprar.
A decisión anunciouna o primeiro ministro portugués, António Costa, nun consello de ministros extraordinario que tivo lugar este sábado, que chega despois de superar por segundo día consecutivo os 4.000 contaxios diarios. A medida, que se revisará cada 14 días con previsión de que a lista poida aumentar, implica teletraballo obrigatorio e limita os eventos e celebracións a cinco persoas, a menos que sexan conviventes. Os estabelecementos comerciais e os restaurantes permanecerán abertos, aínda que deberán fechar ás 22 e as 23 horas respectivamente. Prohíbense nestas localidades as feiras e mercados. Como pauta xeral, aplicarase esta medida aos municipios cunha incidencia superior aos 240 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días, situación na que se atopan actualmente 121 localidades portuguesas. Até o momento, a zona máis afectada é a rexión norte, a área metropolitana de Lisboa e Valle do Tello e o centro. "O mes de novembro vai ser moi duro", afirmou Costa, que adiantou que solicitará unha audiencia ao presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, para avaliar unha eventual declaración do estado de emerxencia nos municipios con risco elevado.
NOS_38570
Xoán Curiel puxo música a unha selección de cantigas creadas por trobadores representativos dos diversos Camiños de Santiago: Fernán Padron, Fernand'Esquio, Bernal de Bonaval, Pero Meogo, Alfonso Gómez, Martin Padrozelos, Nuno Fernández de Mirapeixe, Pero de Veer, Gonzalo López Abente, Joan Romeu de Lugo e, por suposto, tamén aparece Martin Codax, aínda que este xa se musicou a si mesmo.
Xoán Curiel é un artista do máis versátil. Pode cantar dende música infantil até a máis íntima e preciosista. Neste novo traballo, o cantante cunha das voces máis bonitas que hai na Galiza, tráenos unha revisión contemporánea das cantigas da nosa lírica medieval galego-trobadoresca, en concreto do período trobadoresco 1200-1354. Treides comigo! / Xoán Curiel / Xunta de Galiza /2021 / Dez pezas / 15 euros Xoán Curiel puxo música a unha selección de cantigas creadas por trobadores representativos dos diversos Camiños de Santiago: Fernán Padron, Fernand'Esquio, Bernal de Bonaval, Pero Meogo, Alfonso Gómez, Martin Padrozelos, Nuno Fernández de Mirapeixe, Pero de Veer, Gonzalo López Abente, Joan Romeu de Lugo e, por suposto, tamén aparece Martin Codax, aínda que este xa se musicou a si mesmo. Esta actualización das cantigas crea un discurso musical particular. Nel converxen instrumentos medievais (dulcimer, corno, arpa, frautas, campás, trompetas, zanfona ou percusións de pel) mesturados con outros doutras épocas e xeografías (cromorno, guitarra española e acústica, duduk armenio ou clarinete). Neste traballo a voz de Xoán alíase coa de Iris Grey, coa que xa traballara anteriormente. Os colaboradores son moitos e moi variados: Carlos Castro nas percusións, Bea López no clarinete, Bleuenn Le Friec na arpa, Abraham Cupeiro en diversos ventos, Álex Salgueiro nas frautas, Carliños Freire nas percusións, Ariel Ninas na zanfoña e Rui David na voz. O mellor do mellor, señoras e señores. Ultimamente estamos asistindo a moitas reinterpretacións deste legado galaico-portugués, e con iso a creatividade dos e das artistas voa libre. No caso deste disco, chamáronme a atención varias pezas: Mentir-lh'-ei porque é unha cantiga simple, bonita, e na que gozo do fermoso timbre de voz de Curiel e da musicalidade de Bleuenn. Martim Moia, porque ten un camiñar que atrapa, cun uso das voces case xoguetón que lembra ás músicas brasileiras e Mia irmana fremosa de Martin Codax, por ser un dos 'hits' da música trobadoresca e claro, chega esa e xa a canto coma se fose un tema de Lady Gaga. Aínda que, agora que o penso, xuraría que non me sei ningún desta última. Aplaudo, ademais, o súper deseño (de Ekinocio), no que a portada (dun cartón chulísimo que dá ata gusto tocalo) trae un troquelado fermosísimo que combina co gris do libreto de dentro. E xa sabedes o moito que a min me gusta que se coide a presentación física dos discos! A dona que eu am'e tenho por senhor, amostrade-mi-a, Deus, se vos en prazer for, senom dade-mi a morte. A que tenh'eu por lume destes olhos meus e por que choram sempr', amostrade-mi-a, Deus, senom dade-mi a morte.
NOS_55701
Os sindicatos consideran que se procura "criminalizar" a loita dos traballadores. A Fianza que se pide é de 400.000 euros.
A Fiscalía acusa o comité da greve que durante 108 días se desenvolceu na planta de tratamentos de residuos de Nostián ( A Coruña) dun delito de coaccións e outro contra os dereitos dos traballadores. En base a esa acusación, a Fiscalía pide penas de prisión de ano e medio e o depósito dunha fianza conxunta e solidaria de 400.000 euros no prazo dunha audiencia. En caso de non reunir esta cantidade de diñeiro, o xulgado procederá ao embargo inmediato dos seus bens. Esta segunda feira comezaba nos xulgados da Coruña a apertura de xuízo oral pola demanda presentada contra deles pola UTE Albada (encabezada por Urbaser). Para o sindicato CIG, "estamos ante un novo intento da patronal de criminalizar a resposta sindical e limitar o dereito á folga ". O xuizo comeza tres anos despois da greve, que se convocara para defender un convenio digno e pola readmisión dos traballadores despedidos en plenas negociacións. CIG, CCOO e UGT realizaron unha concentración ás portas do xulgado coruñés en solidariedade coas persoas acusadas e na defensa do exercicio pleno do dereito á greve. Para a central nacionalista, "non se pode menos que afirmar que Urbaser (do grupo ACS de Florentino Pérez) gosta de moverse no conflito permanente. A día de hoxe enfrontada ao Concello da Coruña e ao Consorcio das Mariñas en varios preitos, levando a planta á ruína coa súa actitude irresponsábel. Alén de pór en permanente risco os postos de traballo e incluso pretendendo que sexan os traballadores quen asuman as consecuencias das súas accións". Demandas previas, perdidas Antes desta greve en 2013, Albada presentara unha querela criminal contra os cinco membros do Comité da CIG, acusándoos de inxurias, logo destes denunciar vertidos de lixiviados directamente ao mar. A querela contra os membros do Comité non prosperou. Xa coa greve, explica a CIG, a empresa optou por unha demanda para que se declare esta ilegal. Porén, en abril de 2014, a xustiza confirmaba a legalidade da greve. "Neste contexto é no que a empresa emprende accións legais contra o conxunto do cadro de persoal de Albada por coaccións e un delito contra os dereitos dos traballadores". A CIG lamenta que empresa e fiscalía "vaian an todo momento da man" na acusación contra estes traballadores.
NOS_45237
O catedrático e intelectual galego morreu aos 92 anos en Barcelona, onde residiu case toda a súa vida.
Ninguén como Basilio Losada, o investigador, tradutor e docente falecido no día de onte, mostrou que se pode traballar por un país estando lonxe del durante maior parte da vida. Losada foi emigrante a Catalunya desde moi cativo, e alí construíu unha traxectoria como incansábel embaixador da literatura, a lingua e a cultura galegas que pasou por ser o primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universitat de Barcelona, por traducir máis de 150 libros ou por publicar numerosos estudos e antoloxías que serviron de inmellorábel vehículo de divulgación das letras galegas, portuguesas e brasileiras. Nado na Pobra de San Xiao (Láncara) en 1930, Losada nunca esqueceu as súas orixes malia desenvolver practicamente toda a súa vida e toda a súa carreira profesional en Barcelona. "Saín da Galiza con 5 anos pero soñaba con este país; nunca vin imaxe máis bela que a vista desde o meu cuarto de Láncara", dicía en 2016, ao recibir a Medalla de Galiza, outorgada polo seu labor en favor da lingua alén das fronteiras do país. Desde 1933 viviu fóra da Galiza: primeiro en Madrid, logo en León e, finalmente, a partir de 1939, en Barcelona, onde estudou Dereito e Filosofía e Letras e onde se doutorou en Historia. Desenvolveu unha intensa actividade docente en Catalunya e deu cursos e pronunciou conferencias na Arxentina, no Brasil, nos Estados Unidos, no Uruguai, en Italia, Alemaña, Suíza, Francia, Holanda, Bélxica... e, sobre todo, en diferentes centros académicos de Portugal. Todo ese labor de divulgación das literaturas lusófonas foron recoñecidas con multitude de honras: a Comenda de Henrique o Navegador de Portugal, a orde do Cruceiro do Sul do Brasil, a Cruz de San Jordi da Generalitat de Catalunya e, na Galiza, a Medalla Castelao, a Medalla da Galiza, o Premio Otero Pedrayo e o Pedrón de Ouro. Ademais, no ano 1998, foi elixido Galego Egrexio pola Fundación Premios da Crítica. En 2015 foi nomeado académico de Honra da Real Academia Galega, ocasión na que dedicou o seu discurso de ingreso ás primeiras novelas de Rosalía de Castro. Rosalía de Castro protagoniza o discurso do ingreso de Basilio Losada na Academia O seu traballo como tradutor -galego, catalán, alemán e portugués- foi inmenso, e a el se debe un mellor coñecemento das figuras máximas das literaturas lusófonas: José Saramago, Clarice Lispector, Jorge Amado, José Cardoso Pires, Machado de Assis, Rachel de Queirós, Jorge de Sena, Márcio Sousa e moitos máis. Ademais, foi autor de centos de artigos sobre literatura galega e portuguesa e de varias antoloxías de lírica galega, entre outras, Poetas gallegos de posguerra (1971), Poetas gallegos contemporáneos (1972) e Poetas gallegos de hoy (1990), publicados en edicións bilingües por editoras de fóra da Galiza. En 1991, recibiu o Premio Nacional de Tradución por Memorial do convento de José Saramago. A súa erudición era variada, e deu cursos, ademais de sobre literatura, sobre temas de arte e música, comentando obras de Goya, Picasso, Joyce ou Proust entre outros. No ano 2000, co gallo da súa xubilación, a Universidade de Barcelona publicou un libro que lle rende homenaxe, Profesor Basilio Losada: ensinar a pensar con liberdade e risco, e cuxo título é o suficientemente explícito sobre o seu labor docente, apreciado por centos de alumnos e alumnas e promotor de innúmeras vocacións. Losada nunca deixou de comprometerse coa divulgación da literatura galega, o que o levou a converterse nun activo divulgador tamén na prensa e na radio. Agora, a súa voz apagouse, deixando un oco difícil de encher. "Non hai obituario que despache o asunto. Bótase fóra das exequias, como un mago riseiro, sabio, librepensador e menciñeiro das palabras", deixou dito nun tweet o escritor Manuel Rivas. Con razón. 'Servimos de ponte entre a cultura galega e a catalá'
PRAZA_5601
Falamos con Iván Méndez, director do festival, convertido xa nun referente en toda a Península para o metal, o punk e o hardcore, e que o pasado ano reuniu máis de 33 mil asistentes. Do 31 de xullo ao 2 de agosto pasarán por Viveiro Megadeth, NOFX, Down ou Amon Amarth.
O Resurrection Fest de Viveiro chega á súa novena edición, convertido xa nun referente en toda a Península do metal, o punk e o hardcore. O pasado ano máis de 33 mil persoas asistiron aos concertos e este verán, do 31 de xullo ao 2 de agosto, espérase que o número creza, para ver a bandas como Megadeth, NOFX, Down, Amon Amarth, Turbonegro ou Lagwagon. Tamén dos neoyorquinos Sick of it all, unha actuación que ligará o festival deste ano coa primeira edición, celebrada en 2006. Aquel verán o concerto de Sick of it all (Viveiro Summer Fest) tivo que ser supendido só dous días antes da súa celebración, por enfermidade dun dos seus membros. Os organizadores superaron ese obstáculo e trasladaron a actuación a novembro, acadando un éxito rotundo. Dende entón, o festival non deixou de crecer. Iván Méndez, director do festival, tiña 20 anos cando organizou aquel primeiro concerto. Hoxe, con 28, pode mirar cun certo orgullo o traballo realizado durante a última década, e como o festival se foi asentando, cara fóra, no calendario internacional do heavymetal, e tamén cara dentro, na propia vila de Viveiro. Dos receos de moitos veciños ante a avalancha de melenudos, roupas escuras, piercings e decibelios, até a completa aceptación deste evento, todo un símbolo da vila mesmo fóra de Galicia. "A capital do Landro era o San Roque, O Naseiro e para nostálxicos da canción lixeira, a vila do Festival da Canción do Landro", destacaba Ramón Mariño na crónica que escribiu o pasado ano, na que constataba que "ao final eses xinetes da apocalipse que son as persoas amantes do hard e o punk, acaban ben integrados nun intenso día a día de só tres xornadas". Unha comunión da que tamén participan os grupos participantes. Phil Anselmo, cantante de Pantera e actual líder de Down, é un asiduo do festival e mesmo chegou a quedar algúns días máis en Viveiro, despois do festival, gozando da paisaxe e da gastronomía local. Quedan aínda dous meses e medio para o festival, pero as redes sociais xa ferven de impaciencia. Iván Méndez destaca que para a organización "a premisa básica é escoitar o público, porque é o que fai posible que se faga o festival. Para nós é fundamental que se involucren, que se sintan partícipes. Dende facer enquisas, estar en contacto con eles a través das redes sociais..., e todo iso telo en conta á hora de tomar decisións". É por iso que están en marcha varias votacións a través da web do festival, por exemplo para escoller o nome de dous dos escenarios, ou o concurso de bandas organizado por Estrella Galicia. "Para nós a clave do festival é crear unha lealdade entre os nosos asistentes, é dicir, que ao día seguinte de que rematen os concertos xa estean pensando en vir o ano seguinte" Cales son as vosas expectativas para este ano? A nivel de asistencia esperamos superar a asistencia do ano pasado, que foron 33 mil persoas. Todos os indicadores dinnos que vai ser así: levamos vendidas máis entradas ca nunca a estas alturas e o cartel é máis potente do que foi nunca. Ese era o obxectivo que tiñamos cando o ano pasado comezamos a planificar a edición 2014, e creo que imos na dirección correcta, todo o que estamos facendo está tendo máis repercusión ca nunca. Para nós a clave do festival é crear unha lealdade entre os nosos asistentes, é dicir, que ao día seguinte de que rematen os concertos xa estean pensando en vir o ano seguinte. Que destacarías do cartel, entre os 70 grupos xa confirmados? É difícil, poderíamos estar falando moito tempo de cada un dos grupos, pero podo destacar un grupo de cada un dos xéneros principais do Resurrection: Metal, Punk e Hardcore. Comezaría con Megadeth, que é unha das bandas de trash-metal máis importantes da historia, xunto a Metallica e Slayer; despois temos outras bandas, como Amon Amarth, Carcass ou Testament, que tamén son nomes moi importantes, sobre todo Amon Amarth, que é unha banda que está crecendo moito nos últimos anos e que cada vez ten máis seguidores. Destacaría tamén NOFX, que é unha das bandas de punk máis importantes da historia, e que venderon máis de dez millóns de discos. Tamén destacaría Down, que aínda que están repetindo a súa presenza no festival dende 2010, é unha das bandas máis importantes do mundo; é un grupo formado polo cantante de Pantera, por Phil Anselmo. Ademais, falaría de Turbonegro, de Lagwagon e tamén de Sick of it all, unha das bandas máis importantes do hardcore mundial, que estivo na primeira edición do festival, en 2006, e que este ano repite, e estou seguro que é un dos que a xente ten máis ganas de ver. Como foi ese inicio tan difícil, que deu lugar a todo o demais? Nese primeiro festival, que aínda non se chamaba Resurrection Fest, en agosto de 2006, estaba todo preparado para que actuase Sick of it all. Dous días antes do concerto, tivemos que cancelar todo por enfermidade dun dos seus membros. Pero era algo que queríamos facer, seguimos traballando e conseguimos que o festival se fixese en novembro, e con moito éxito. En 2007 o festival xa pasou a ser de dous días, e despois o festival foi crecendo ano a ano, paso a paso, pero facendo as cousas ben e sempre coa máxima de organizar o festival que a nós nos gustaría vivir como público. "Todos os habitantes saben que o festival é moi importante a nivel económico para a comarca, e tamén porque dá a coñecer Viveiro non só en toda España, senón en boa parte de Europa" Como é a relación dos veciños de Viveiro co Festival? A súa visión foi cambiando cos anos? Si, si que cambiou. En 2006, na primeira edición, isto era algo completamente novo para os habitantes de Viveiro, non estaban afeitos a que chegase aquí unha marea de milleiros de mozos e mozas, si que os botaba un pouco para atrás. Agora, co paso dos anos, o festival está moi aceptado en Viveiro, todos os habitantes saben que o festival é moi importante a nivel económico para a comarca, e tamén porque dá a coñecer Viveiro non só en toda España, senón en boa parte de Europa. E os asistentes levan unha boa impresión de Viveiro? A maior parte dos grandes festivais de música celébranse en grandes cidade, ou nas aforas de urbes, en polígonos industriais, poucos fanse en vilas de costa, como Viveiro. Creo que para a xente que vén é un plus poder ver todos os grupos que lle gustan nun sitio bonito, rodeado de natureza. "Se tivese que escoller un concerto para o décimo aniversario, sen dúbida sería a reunión de Pantera" E o ano que vén, décimo aniversario. Ides facer algo especial? O ano que vén facemos dez anos e queremos facer algo especial. Somos conscientes do que significa facer dez anos, e das dificultades que hai que superar para chegar ata aquí, sobre todo tal e como están as cousas. O ano que vén queremos facer o festival máis grande dos que fixemos ata agora e co mellor cartel. Queremos seguir crecendo e crear unha experiencia que non esquezan as persoas que veñan aquí. Postos a imaxinar, que grupos che gustaría que estivesen no cartel? Penso nunha aposta que é á vez posible e imposible, algo do que se está falando moito nos últimos anos: se tivese que escoller un só nome, sen dúbida sería a reunión de Pantera.
NOS_54708
Miguel Martorell (Madrid, 1963) é catedrático de Historia na UNED e un dos maiores expertos no saqueo artístico nazi. O seu último libro, 'El expolio nazi' (Galaxia Gutenberg) inspirou o relatorio que ofreceu onte no Ateneo de Compostela sobre o papel do Estado español na diseminación dos bens espoliados.
—Que foi primeiro, o holocausto ou o espolio nazi?O espolio é parte do holocausto. Desde que chegan ao poder en 1933, os nazis empezan a apartar os xudeus da sociedade alemá e comezan a darse casos de requisa de bens esporádicos, que se converten en sistemáticos a partir de 1938. Primeiro quítanlles as empresas, as casas, as obras de arte. Cando os deportan, os nazis levan todo canto os xudeus deixan atrás: lámpadas, xoguetes, vaixelas. Todo iso recíclano e distribúeno entre cidadáns alemáns. A última fase do espolio ten lugar nos campos de concentración. Aí tamén acumulan o pouco que levan encima -roupa, aneis, reloxos- para envialo a Alemaña. É neste contexto onde se enmarca o espolio de obras de arte. O espolio ten unha relación directa coa política racial do Terceiro Reich —Por que se asañou coa cultura o Terceiro Reich? Que quixo expresar a través do saqueo artístico?Hai que ter en conta que as elites que chegan a gobernar Alemaña son de orixe humilde. Hitler era fillo dun funcionario de aduanas; Himmler, perito agrícola; Goering, descendente dunha familia da aristocracia caída en desgracia. Coleccionar arte é un signo de distinción, unha maneira de pasar a un status superior. Ademais, está a vontade de demostrar que Alemaña é a gran potencia cultural de Europa. Mais hai outra cousa importante, que é que a arte ten un valor económico. Nun tempo de guerra, no que as moedas se devalan, a xente con recursos e a xente que se fai rica quere investir en valores seguros: ouro, diamantes e obras de arte. —En que consistiu o espolio?Comezou no ano 1933 cos xudeus, pero tamén cos inimigos políticos do Terceiro Reich. Despois pasa a Austria, logo aos Sudetes e acaba estendéndose por toda Europa. Falamos do transvase de obras de arte máis importante do mundo contemporáneo. Da Unión Soviética os nazis levaron perto dun millóns de obxectos culturais: pinturas, esculturas, xoiería artísticas, figuras de porcelana, libros, material de arquivo, instrumentos musicais. De Francia, sacaron arredor de 100.000 pezas; de Países Baixos, 60.000; de Bélxica, 30.000; centos de miles de obxectos a voltas por Europa e, sobre todo, en dirección a Alemaña. —Coa característica de que encada territorio o saqueo non se executou da mesma maneira. O espolio ten unha relación directa coa política racial do Terceiro Reich. Non foi igual na Europa oriental e na occidental. Todo o territorio que os alemáns ocupan na parte oriental anéxano de forma directa. Non van recoñecer a existencia de ningún país, ademais, considerar os eslavos unha raza inferior. Aí levan todo o que lles da a gana: coleccións particulares, de museos públicos, patrimonio das igrexas. Non renden contas ante ninguén. En occidente si van recoñecer a existencia dos estados francés, belga, holandés. Aí requisan as obras de arte dos xudeus e doutros inimigos pero non van baleirar nin os museos públicos, nin as igrexas nin van saquear de modo sistemático as propiedades dos particulares. Tras a guerra, os aliados lograron recompilar 60% do patrimonio espoliado, que se devolveu a cada país; 40% permanece desaparecido O que fan é devalar as moedas estatais á forza, un 30%, ademais de imporlles o pago dunhas cantidades brutais en concepto de gastos de ocupación. Francia chegou a pagar 600.000 millóns de franco. Unha barbaridade, que chega a ser nalgún momento da II Guerra Mundial 50% do PIB francés. Con eses cartos van comprar moi barato e non só obras de arte. É unha estratexia pensada para financiar a guerra. Compran materias primas, alimentos, produtos manufacturados, téxtiles... E obras de arte en cantidades industriais, unha compra forzosa, aproveitando a ocupación militar e a degradación económica do país invadido. —Que recorrido teñen esas obras de arte saqueadas?Aquí hai dous grandes coleccionistas: Hitler e Goering. O primeiro comeza a coleccionar nen 1938 coa idea de construír un gran museo para Alemaña. A guerra acaba no 45. En sete anos consegue 6.700 pinturas. O Prado en 200 anos xuntou 8.000. O segundo fíxose con máis de 2.000 pinturas ademais doutros bens. Outros moitos xerarcas sumáronse ao espolio. E animados polos bos prezos tamén moitos particulares e, por suposto, os museos alemáns. —Houbo moita xente implicada no tráfico de obras de arte?A II Guerra Mundial foi probabelmente a que máis expertos mobilizou na historia da arte. Todo este espolio non sería posíbel se non fose porque o os nazis contaron con directores de museos, galeristas, historiadores da arte, peritos, restauradores, delatores. Ocupou miles de persoas en todo o continente. Ademais dunha acción criminal foi un gran negocio. —Onde permanecen as obras espoliadas?Tras a guerra, os aliados lograron recompilar 60% do patrimonio espoliado, que se devolveu a cada país e estes aos seus cidadáns. 40% permanece desaparecido. Ben se destruíu na guerra ben segue oculto en mans de cidadáns alemáns ou disperso polo mundo. Co inicio da Guerra fría deixouse de investigar e até os anos 90 do século pasado non houbo ningún control sobre o mercado da arte. Isto converteu o espolio nazi nun problema global, até o punto de que museos en Tel Aviv que chegaron a comprar patrimonio procedente do espolio. Facer o rastrexo destas obras é moi complicado, e cando se detectou a súa orixe foron restituídos aos seus propietarios. Isto cambia nos anos 90. Ten lugar a conferencia de Washington de 1998 e séntanse as bases para afrontar o tema da arte espoliada durante o nazismo de maneira que os estados, entre eles España, se comprometen a investigar para actuar de forma xenerosa coas vítimas e os seus descendentes en caso de advertir algunha obra. Os ecos do saqueo nazi na Galiza "Sabemos que o Estado español foi territorio de saída de obras procedentes do espolio. Pero casos documentados só hai tres, todos resultado de compras feitas no mercado internacional", di Martorell. No Reina Sofía hai un cadro de Andre Masson (La famille en metamorphose) que os descendentes do propietario acordaron deixar no centro. No Thyssen hai un cadro de Camille Pissarro (Rue Saint-Honoré pola tarde. Efecto de chuvia) procedente dunha familia alemá que "o museo se resiste a deixar" após 16 anos de litixio. "E por último está o caso do Museo de Pontevedra, que me parece impecábel. En canto se soubo que os dous cadros de Dieric Bouts procedían do espolio, a disposición do museo para devolvelas foi inmediata".
NOS_29541
Soga e cinsa, a montaxe de Diana Mera anuncia un camiño que logo non se atreve a percorrer.
Contar unha historia ten os seus riscos: un é que se vexa demasiado a moral do conto; outro é que se vexa demasiado pouco. A liña entre a obviedade e o críptico é complicada de deseñar: non se debe tratar ao público con paternalismo, mais é obrigatorio subministrarlle as pistas necesarias para que non se desvíe do camiño trazado, ou polo menos para que saiba onde queremos chegar. Soga e cinsa / Compañía: Aporía Escénica / Dirección e dramaturxia: Diana Mera / Elenco: Nerea Brey, Sonsoles Cordón, María Costas, Diana Mera, Raquel Oitavén, Marta Pérez, Merche Pérez, Rosa Puga Davila, María Roja, Nuria Sotelo e María Tasende / Estrea: Auditorio Municipal de Vigo, 19 de febreiro de 2021 Soga e cinsa ten un primeiro cadro no que se coquetea co críptico, cunha sorte de teatro-danza que quere dicir sen explicitar e que resume todo o que de incómodo ten o tema tratado. Durante o tempo que dura este cadro, a obra xoga con tópicos, mais faino con personalidade, colocando as estampas coñecidas da caza de bruxas nun contexto nin demasiado lírico nin demasiado visceral. Busca a imaxe impactante que sexa significativa, o resumo plástico que seduza ao espectador sen obrigalo a identificarse plenamente co discurso. Se cadra, non o consegue sempre, mais é neste tramo onde a obra acada os momentos máis absorbentes, máis suxestivos. Mais a partir de aí o espectáculo decide que non abonda con suxerir e transfórmase nun discurso carente de sutileza: traspasa a barreira do obvio para descender ao declarativo, a expoñer a súa tese escudándose nunha colaxe de recursos de escaso fundamento dramático. Bota man dunha caligrafía rudimentaria que apenas logra ocultar que as diferentes escenas son un simple subterfuxio para lanzar unha tese que a audiencia debe aceptar sen maior debate interno. Ten a intención de mostrar un anaco da Historia que debería ser máis coñecido, mais a proposición teórica invade a escena e todo se reduce a ela, deixando clara a posición mais renunciando á sorpresa e á descuberta. A montaxe de Diana Mera anuncia un camiño que logo non se atreve a percorrer. Comeza presentando as imaxes do drama que significou a persecución política das mulleres alcumadas de bruxas, mais logo colle un atallo e renuncia a encarnar o itinerario, a presentar ese drama con trazos humanos. Hai momentos dunha teatralidade moi estimulante –unha irónica escena de tortura contraposta a un exercicio de natación sincronizada, a acrobática escena de aforcamento…–, mais a forza deses fragmentos dilúese no ton pedagóxico e impide percibir o fondo da traxedia. O desafío ao público transfórmase nunha arenga desprovista da mesma maxia que reivindica. Se se convoca un aquelarre é pertinente manter a preceptiva até o final. E no final só agarda un epílogo ritual tan hermético como difícil de distinguir desde o patio de butacas. O que constata que a función do teatro non é reafirmarse no coñecido, senón dar as explicacións que non atopamos noutro lado.
NOS_7370
O líder do PSdeG cre que a caída de Ciudadanos reduce os posíbeis aliados do PP
O secretario xeral do PSdeG, Gonzálo Caballero, amosou esta segunda feira a súa preocupación polos apoios rexistrados por Vox na Galiza, se ben celebrou que a desfeita de Ciudadanos nos comicios do 10 de novembro deixa o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feixoo, con menos aliados de cara a seguir gobernando na Xunta Para o dirixente socialista, a caída de Ciudadanos «lembra á da UDC a principios dos 80». Caballero tamén destacou que o partido de Albert Rivera foi un «experimento» que «pinchou» despois de venderse como forza de centro e terminar por converterse no «bastón da extrema dereita» en España Dimisión de Rivera Sobre a dimisión de Rivera, o secretario xeral do PSdeG indicou que nun partido que cae ao «abismo electroral» tras perder 47 deputados, «entendo que os responsábeis teñan que adoitar resposabilidades». Tamén lembrou que no caso da Galiza, Ciudadanos «nunca acadou un nivel de apoio suficiente» e que na xornada electoral «desfixo» as súas posibilidades de futuro. Asegurou que os resultados electorais alcanzados polo PSdeG cumpren os "obxectivos" marcados pola formación para este 10 de novembro fronte a un Alberto Núñez Feijóo e un Partido Popular que "pincharon". "Pincharon ena Galiza na súa estratexia de tentar aproveitar a repetición (electoral) para ter unha maioría con máis deputados, máis apoios pero tamén pincharon porque a maioría social progresista emerxe cada vez que hai unha convocatoria electoral", manifestou.
PRAZA_16957
QUEN É QUEN | Entre os 12 homes e 4 mulleres que forman a comisión de investigación no Congreso hai 4 con formación en enxeñaría ou riscos laborais e 5 en dereito, pero o seu cometido non é analizar responsabildiades técnicas ou penais senón políticas
"Hai dous tipos de comisións de investigación, as que se reúnen cun esforzo para chegar a acordos e as que parece que isto é imposible". Así presentou a semana pasada o traballo que el mesmo ten por diante Feliu Guillaumes, deputado do PDeCAT, como presidente da comisión de investigación política no Congreso sobre o accidente de Angrois. Na súa intervención inicial na constitución da comisión, medio ano despois da súa aprobación polo Pleno do Congreso, Guillaumes amosou o seu temor a que esta sexa unha comisión das primeiras, polo que apelou a todos os seus integrantes a acadar o maior número de consensos posibles porque iso contribuirá a "salvar vidas" evitando que volva ocorrer outro accidente como o que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos e 144 feridos ás portas de Santiago. Entre os 12 homes e 4 mulleres que forman a comisión de investigación no Congreso hai 4 con formación en enxeñaría ou riscos laborais e 5 en dereito, pero o seu cometido non é analizar responsabildiades técnicas ou penais senón políticas Xunto con Guillaumes, a comisión, que se deu un mes para que cada grupo achege as súas peticións de comparecentes e documentación a estudar, está formada por outros 15 deputados e deputadas, dos que 11 son homes e 4 mulleres. Catro deles son galegos, e tamén catro deles teñen formación en enxeñería ou riscos laborais, mentres que outros cinco son licenciados en Dereito. Pero non serán as cuestións técnicas nin as penais as que se analicen no Congreso. As cuestións técnicas xa foron analizadas polo Ministerio de Fomento nun informe que concluíu facendo responsable do sinistro ao maquinista, por non frear a tempo antes da curva de Angrois malia que non había activo ningún sistema que evitase ou paliase o previsible erro humano. Tanto a Xustiza como a Unión Europea concluíron que aquela investigación técnica foi incorrecta. As cuestións penais están a ser dirimidas no xulgado e teñen actualmente o foco pousado sobre quen eran directores de Seguridade na Circulación de Adif e Renfe, Andrés Cortabitarte e Antonio Lanchares, respectivamente, como máximos responsables de habilitar medidas de seguridade na liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o sinistro. Os populares Celso Delgado e Concepción de Santa Ana xa participaran na subcomisión de mellora do sistema ferroviario en xeral creada tras o accidente e rematada en 2015 sen afondar nel Tras o accidente, cando PSOE e PP rexeitaban crear unha comisión de investigación política polo medo a que salpicase a xestión como ministros de Fomento de José Blanco e Ana Pastor, no cargo respectivamente cando se inaugurou o AVE Ourense-Santiago e cando ocorreu o sinistro, xa se celebrou no Congreso unha subcomisión de análise e mellora do sistema ferroviario en xeral que emitiu as súas conclusións a mediados de 2015. Nela realizáronse todo tipo de recomendacións, e en materia de seguridade estableceuse que a rede española é segura pero que aínda o podería ser máis e sería desexable que o custo das súas melloras se adecúe ao volume de tráfico de cada liña. Pero aquela subcomisión de estudo, na que participaron dous deputados do PP tamén presentes agora nesta comisión de investigación (o ourensán Celso Delgado e a granadina Concepción de Santa Ana) non afondou na xestación política do AVE Ourense-Santiago nin na xestión posterior do accidente, que é o que agora teñen que abordar estes 16 membros da denominada "Comisión de investigación do accidente ferroviario ocorrido en Santiago". Nela Guillaumes será o encargado de coordinar e poñer orde nas sesións, pero os votos dos seus integrantes estarán ponderados en función do número total de deputados dos seus respectivos partidos no Pleno do Congreso. Integrantes da comisión Feliu-Joan Guillaumes i Ràfols (1962): Presidente da comisión. Deputado do PDeCAT por Barcelona integrado no Grupo Mixto. Funcionario licenciado en Filosofía e Letras. Durante a subcomisión de estudo do sistema ferroviario CiU, antecesora do PDeCAT, representada daquela por Pere Macias, amosárase crítica coa investigación oficial de Fomento. César Joaquín Ramos Esteban (1975): Vicepresidente primeiro da comisión. Deputado do PSOE por Cáceres. Enxeñeiro técnico industrial cun máster en riscos laborais. José Alberto Herrero Bono (1978): Vicepresidente segundo da comisión. Deputado do PP por Teruel. Enxeñeiro industrial cun máster en riscos laborais. Antonio Gómez-Reino Varela (1980): Secretario primeiro da comisión. Deputado de Unidos Podemos-En Marea por A Coruña. Activista social. María de la Concepción de Santa Ana Fernández (1973): Secretaria segunda da comisión. Deputada do PP por Granada. Enxeñeira de Camiños, Canles e Portos. Foi vogal na subcomisión de análise do sistema ferroviario. Celso Luis Delgado Arce (1958): Vogal. Deputado do PP por Ourense. Licenciado en Dereito. Foi vogal na subcomisión de análise do sistema ferroviario e presidente da comisión de Fomento. É desde hai anos o deputado do PP galego en Madrid a cargo dos asuntos relacionados co AVE. Miguel Barrachina Ros (1969): Vogal. Deputado do PP por Castellón. Economista. Odón Elorza González (1955): Vogal. Deputado do PSOE por Guipúscoa. Licenciado en Dereito. Foi alcalde de Donostia durante dúas décadas e é un dos principais responsables do cambio de postura do PSOE a respecto da necesidade da comisión de investigación. Pilar Cancela Rodríguez (1967): Vogal. Deputada do PSOE pola Coruña. Licenciada en Dereito cun título superior en riscos laborais. Foi secretaria de Organización e presidenta da xestora do PSdeG e personificou a rectificación da súa formación ao aceptar a creación da comisión de investigación. Alexandra Fernández Gómez (1988): Vogal. Deputada de Unidos Podemos-En Marea por Pontevedra. Formación en arquitectura e urbanismo. Foi a encargada no seu grupo de encabezar as reiteradas peticións das vítimas para crear a comisión de investigación, como no pasado fixeran BNG e Esquerda Unida. Ana Marcello Santos (1984): Vogal. Deputada de Unidos Podemos por León. Traballadora social. Fernando Navarro Fernández-Rodríguez (1962): Vogal. Deputado de Ciudadanos por Baleares. Licenciado en Dereito. Miguel Ángel Garaulet Rodríguez (1968): Vogal. Deputado de Ciudadanos por Murcia. Economista. Gabriel Rufián Romero (1982): Vogal. Deputado de Esquerra Republicana por Barcelona. Diplomado en Relacións Laborais. Íñigo Barandiaran Benito (1959): Vogal. Deputado do PNV por Guipúscoa. Licenciado en Dereito. Isidro Manuel Martínez Oblanca (1956): Vogal. Deputado de Foro Asturias integrado no Grupo Mixto. Diplomado en Enfermaría.
NOS_22156
O director arxentino Matías Piñeiro presentou, a pasada semana no CGAI, Viola, inspirada en Noite de Reis. Con este filme como punto de partida, Sermos Galiza fai un breve percorrido das mellores adaptacións ao celuloide dos textos do dramaturgo de Stratford. Imaxe capa: Hamlet de Lawrence Oliver
No prólogo de Enrique V, Shakespeare, a través do CORO ou narrador, pedía desculpas ao público polas limitacións do teatro da época. O escenario non permitía amosar os bastos campos de Francia, onde os ingleses fixeran historia na batalla de Agincourt. Por iso, o dramaturgo de Stratford animaba ao auditorio a usar a imaxinación, cun xesto no que moitos críticos viron a profecía do cine, un medio que tardaría case tres séculos en ser descuberto.Posteriormente, Laurence Olivier na súa adaptación de 1944 e un novísimo Kenneth Branagh en 1989, por medio da rodaxe en exteriores, cumpriron o desexo de Shakespeare de amosar con realismo unha contenda que inda hoxe é símbolo do patriotismo británico. E é que o dramaturgo renacentista conta cun grande número de seareiros nas filas da sétima arte. Alén de Olivier e Brannagh, outros coma Orson Wells, Franco Zeffirelli, Grigori Kozinstev ou Akira Kurosawa, adicaron boa parte da súa filmografía a espremer un material moi cobizado, malia o paso do tempo. "No século XVI, Shakespeare xa escribía cunha proposta de visualidade moi potente. Malia traballar fundamentalmente con palabras, consideraba o ollo o sentido máximo, anhelando algo que só o cine lle podería dar. Por iso, coa chegada do novo medio, moitos directores viron nel unha canteira inesgotábel", explica Darío Villanueva, catedrático da USC. Paixóns inseparábeis á condición humanaAliás, uns personaxes profundos, moi ben perfilados, e uns temas universais, inseparables á condición humana, fixeron do autor de Hamlet o máis grande guionista da historia, con perto de 500 adaptacións cinematográficas ás súas costas. "Shakespeare é poder, amor, paixón, traizón… e, polo tanto, as súas historias non entenden de culturas nin de épocas", reflexiona o director arxentino Matías Piñeiro, en conversa con Sermos Galiza. De feito, a súa derradeira película, Viola, que a pasada semana se estreou no CGAI da Coruña, está inspirada en Noite de Reis, embora a trama se traslada á Arxentina do século XXI. "A época e o lugar non son importantes. Para adaptar a Shakespeare, o primordial é a fidelidade ao texto porque algúns significados inda hoxe permanecen ocultos e, por iso, cada revisión aporta algo novo", defende o realizador latinoamericano. Viaxes no espazo e no tempo Con todo, cambiar a época ou o espazo das historias de Shakespeare non é nada novo para os directores de cine. Kurosawa, en 1957, trasladou o seu Macbeth ao Xapón feudal baixo o título de Trono de Sangue e en Ran (1985) reescribía O Rei Lear mesturándoa con lendas medievais xaponesas. A historia do atormentado príncipe de Dinamarca, tamén derivou nas variacións máis sorprendentes. En 1964, Grigori Kozintsev facía ao seu Hamlet dicir aquilo de "To be or not to be" en ruso, mentres Michael Almereyda apostaba por un protagonista postmoderno no Nova York do segundo milenio. Pola súa banda, Kenneth Brannah adiantou a obra tres séculos, trasladándoa ao XIX, nunha adaptación sumamente fiel, co texto orixinal íntegro, e unha metraxe de máis de 4 horas. E Franco Zeffirelli apostaba por manter a época orixinal mais cun Hamlet moderno, con acenos ao cine de acción, de man de Mel Gibson. Igualmente, con Romeo e Xulieta, varios directores asumiron o desafío de facer da peza teatral unha versión actualizada a cada época. Así, en 1961 nacía o musical West Side Story, trasladando a desafortunada historia dos amantes de Verona ao Bronx dos anos 50. De igual modo, Baz Luhrman quixo proxectar a obra para o público adolescente, nun filme ambientado a finais do século XX, e cunha parella 'de moda' como Leonardo Di Caprio e Claire Dannes. Curioso resulta tamén o caso do Ricardo III de Richard Loncraine (1995), no que o protagonista se viste con uniforme nazi, nunha transposición á Inglaterra dos anos 30, mesturando trazos do cine negro clásico. Pola súa banda, Al Pacino dirixe en 1996 Looking for Richard, unha especie de documental que inclúe os ensaios e a representación da obra en Central Park, na que el mesmo se caracteriza coma o tollido monarca disposto a cambiar o seu reino por un cabalo. Personaxes eternos, actores inesquecíbeisOutras adaptacións, pola contra, ficaron máis próximas á obra orixinal. "O meu segredo para adaptar a Shakespeare é o apego ao texto e aos personaxes porque neles se agochan os temas que moven o mundo", reflexiona o realizador arxentino Matías Piñeiro. Con este espírito, Franco Zeffirelli dirixía en 1968 Romeo and Juliet, a primeira versión cinematográfica que foi rodada nos lugares orixinais da obra teatral. Tamén era a primeira vez que os amantes tiñan a idade adecuada e saían espidos no leito conxugal. A Italia tamén foi o director Michael Radford para rodar O Mercader de Venecia, cunha coidada selección dos diálogos orixinais e unha ambientación igualmente mimada. No entanto, o elemento que definitivamente seduciu á crítica internacional foi un sobresaínte Al Pacino no papel protagonista. Outro apaixonado do teatro como Joseph L. Mankiewicz deixou para historia do cine unha das mellores caracterizacións dun personaxe de Shakespeare, con Marlon Brando coma Marco Antonio en Julius Caesar (1953). Tamén Orson Wells dirixiu e protagonizou xoias para a posteridade que gañaron o beneplácito da crítica mais supuxeron un estrepitoso fracaso nas billeteiras. O seu Macbeth (1948) e Otelho (1942) están consideradas unhas das mellores adaptacións destas traxedias de Shakespeare. No entanto, a primeira vez que o celuloide apostou por un Otelo negro, afroamericano, foi na versión de 1995 de Oliver Parker. Homes de teatro, os mellores seguidoresEntre todos os directores que renderon culto á obra do dramaturgo, o catedrático Darío Villanueva salienta o traballo de Laurence Olivier e Kenneth Brannagh, "dous actores curtidos na tradición do teatro shakesperiano, que dirixiron na escena mais tamén na pantalla". De feito, a traxectoria filmográfica de ambos os dous se pode traducir na procura incansábel do filme que faría o propio Shakespeare de ter nacido uns séculos máis tarde. Os seus Enrique V, malia que de xeito distinto, quixeron render homenaxe á súa orixe teatral. Por iso ambas películas comezan con recursos propios da escena onde, moi conscientemente, non omiten a intervención do coro ou narrador. Olivier recrea, como prólogo, unha representación no teatro do Globo en Londres, namentres o narrador, nun estudio de cine, presenta o filme de Brannagh. Trala introdución teatral, se cede o paso ao 'auténtico' e 'puro' cine en dúas versións das que, sen dúbida, Shakespeare se sentiría orgulloso. Imaxes por orde de aparición: (1) Henry V de Kenneth Brannagh, (2) Macbeth de Orson Wells, (3) Ran de Akira Kurosawa, (4) Richar III de Richard Loncraine, (5) Romeo and Juliet de Franco Zeffirelli
PRAZA_5192
Este martes, cabodano do seu pasamento hai 24 anos, terá lugar un acto de homenaxe ante a súa casa natal, semiderrubada. O xoves, o pleno votará a proposta, e nas vindeiras semanas a comisión promotora da iniciativa porase en contacto coa RAG.
A iniciativa para que as Letras Galegas do vindeiro ano sexan dedicadas a Ricardo Carvalho Calero segue avanzando e gañando apoios. Xa son máis de 30 as entidades sociais e políticas que a defenden, acadando unha unanimidade case total na comarca de Ferrolterra e sumando axudas no resto do país. Entre os seus promotores ten, por suposto, un bo número de asociacións culturais e de persoeiros deste ámbito, por exemplo Manuel Rivas, Xosé María Álvarez Cáccamo, Francisco X. Fernández Naval ou o director da Fundación Penzol de Vigo, Francisco Domínguez, pero tamén da política e do mundo económico e do traballo. Así, recibiu o soporte da maior parte dos sindicatos na comarca de Ferrol (CIG, CNT, CCOO, UGT e USTG), de todas as forzas políticas con representación no Concello e mesmo do comité de empresa de Navantia. Cúmprese así un dos obxectivos sinalados dende un comezo pola comisión promotora, que buscaba que a iniciativa ao redor da figura e da obra de Carvalho Calero fose máis aló da súa innegable importancia para a lingua e a cultura galegas, abranguendo outros ámbitos da sociedade. Recibiu o soporte da maior parte dos sindicatos na comarca de Ferrol (CIG, CNT, CCOO, UGT e USTG), de todas as forzas políticas con representación no Concello e mesmo do comité de empresa de Navantia Este martes, cabodano do seu pasamento o 25 de marzo de 1990, celebrarase ademais un acto de homenaxe ante a súa casa natal, semiderrubada hai unhas semanas, na ferrolá rúa San Francisco. O acto, segundo a comisión promotora, servirá "tanto para reivindicar a súa figura como a do estado do propio barrio de Ferrol Vello". A partir das oito da tarde haberá (en función do tempo, ante a posibilidade de fortes choivas a esa hora) unha actuación do Real Coro Toxos e Froles e lerase un manifesto de apoio á campaña do Día das Letras 2015, a cargo da alumna do IES Carballo Calero Rita Tojeiro Ces. Será o primeiro dunha serie de actos importantes para a candidatura que terán lugar nos vindeiros días e semanas. Así, este xoves o pleno do Concello de Ferrol aprobará por unanimidade unha proposta para que o intelectual sexa homenaxeado no 2015. De igual xeito, como destaca Bernardo Maiz, nas vindeiras semanas a comisión promotora solicitará unha entrevista ante a RAG para continuar o camiño que debe levar á presentanción da candidatura de Carvalho, que debe ser proposta por tres académicos e contar co apoio doutros tres. Xosé María Dobarro, outro dos impulsores da candidatura, subliñou que o recoñecemento "é unha cuestión de xustiza", en especial despois de que o Parlamento aprobara "unha aproximación ao mundo lusófono" Nunha rolda de prensa celebrada este luns en Ferrol, o profesor Xosé María Dobarro, outro dos impulsores da candidatura, subliñou que o recoñecemento "é unha cuestión de xustiza", en especial despois de que o Parlamento aprobara "unha aproximación ao mundo lusófono", en referencia á ILP Paz Andrade, que converteria en inútiles, ao seu xuízo, as críticas recibidas por Carvalho Calero por ter defendido a liña ortográfica de reintegración co portugués. Pola súa banda, a Fundaçom Artábria, que non participará na homenaxe deste 25 de marzo por mor da participación do Concello de Ferrol no acto, celebrará o 30 de marzo a súa habitual homenaxe a Carvalho Calero, ao pé da súa casa natal. O acto, presentado por Xende Lopes Teixeiro, consistirá nunha ofrenda floral e un recital poético a cargo de Antia Cortiças, Teresa Moure, Miguel Vento de Trasancos e Elia Rico. Alberto Pombo e Diego Bernal musicarán o poema "Todo termina mal". E Vítor Santalha, en representación da entidade, intervirá para pechar o acto.
NOS_34817
A primeira xornada de folga e mobilizacións do alumnado de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela serviu para reparar os primeiros defectos de relación e organización da súa vida académica.
Despois de case 12 horas de reunión co equipo directivo da facultade, as representantes da Asemblea Aberta de Medicina recoñecen a boa disposición do decano por abordar canto antes as faltas máis graves que denuncia o estudantado. «Acordamos un documento base no que se recollen as medidas fundamentais que deberan implantarse de forma inmediata, unha vez desconvocada a folga; outras que necesariamente deberán esperar a que comece outro curso; e algunhas que nós xa non veremos como estudantes», explican desde a organización estudantil, «pero é importante que queden por escrito e asinadas, para non lles legar ás promocións do futuro problemas que consideramos incompatíbeis cun ensino de calidade». Os principais puntos de acordo xiran arredor das faltas de respecto «intolerábeis» que o persoal docente cara ao alumnado. «O equipo decanal coincide con nós en que non se pode permitir ningún tipo de humillación nas aulas e en que as vías de denuncia non son suficientes», afirman, polo que acordaron a creación dun correo específico e confidencial que xestionará directamente o decano e o seu equipo. Un correo exclusivo para tramitar as queixas que as estudantes consideren merecedoras de aviso ou denuncia. «O equipo decanal coincide con nós en que non se pode permitir ningún tipo de humillación nas aulas e en que as vías de denuncia non son suficientes» Doutra banda, conviron a ilegalidade das horas lectivas extraordinarias que se imparten fóra do horario oficial e a necesidade de erradicalas a curto prazo. Queda pendente para o vindeiro curso a redución das clases presenciais e o compromiso de que sexa o xestor docente máis os coordinadores de materia os encargados de organizar as prácticas, outra das reivindicacións do estudantado. Á espera de que conclúa unha nova xuntanza da comisión permanente, desta volta cos directores de departamento e as coordinadoras de materia, a facultade de Medicina vive esta cuarta feira unha segunda xornada de peche con piquetes informativos nas aulas, sentada na entrada principal e una nova convocatoria de peche nocturno. «Non buscamos impoñer», din, senón «intercambiar e acordar propostas de mellora da docencia» que repercutan no rendemento das estudantes, nas súas cualificacións, no acceso a bolsas de estudo e a prazas MIR. Neste sentido amósanse optimistas. «Sabemos que algunhas das nosas solicitudes baten directamente coa liberdade de cátedra do persoal docente» e serán máis difíciles de conseguir, aseguran, pero «confiamos en poder mudar os criterios de avaliación e organización dos exames».
NOS_35942
Sanidade, emprego e inclusión centran as reclamacións ante a Valeduría
O número de expedientes de queixa por vulneración de dereitos lingüísticos presentados diante da Valedora do Pobo triplicouse o ano pasado, pasando de 96 queixas a 261 expedientes recibidos no exercicio 2021. Un aumento importante, reflectido no Informe 2021 desta institución que a valedora, Dolores Fernández Galiño, entregou na mañá de onte ao presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Ángel Santalices. Deses 261 expedientes recibidos, a Valedora admitiu 193, mentres que remitiron 36 ao Defensor do Pobo estatal. As queixas remitidas ao Defensor referíanse, principalmente, á exclusión do galego en instalacións de ADIF; as mensaxes exclusivamente en español nas certificacións ou localizacións de envíos de Correos; dispoñibilidade só en castelán de formularios ou certificados nas sedes electrónicas de diversos Ministerios do Goberno español ou servizo estatal de emprego, así como topónimos deturpados nas paxinas web de organismos estatais. Os asuntos sobre os que se presentaron as queixas de vulneración de dereitos lingüísticos representan un amplo abano, que abrangue desde a exclusión do galego nunha exposición da Coruña até a dispoñibilidade da liña de atención sobre o coronavirus do Sergas exclusivamente en castelán, pasando por toponimia deturpada, atención exclusivamente en español por parte de persoal ou sinalización só en castelán en edificios públicos. A Valedora do Pobo tramitou o dobre de expedientes e 34% máis de asuntos en 2021 O informe, ademais, salienta "a intensa actividade da Mesa pola Normalización Lingüística e o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, entidades de defensa da lingua" que promoveron 234 dos 261 expedientes de queixas recibidos. Perto de 11.000 queixas A Valedora do Pobo recibiu o ano pasado 10.791 queixas a inmensa maioría delas (9.436) referentes á Administración galega, mais tamén as houbo sobre consellos e deputacións (1.149 e 49 respectivamente), corporacións públicas (128 queixas) ou as universidades galegas (28). Un dato a salientar é que case 80% das queixas presentadas estaban en galego. No informe tamén figura que a maior parte das persoas reclamantes (72%) residen no "medio urbano" mentres que 27% fano no "medio rural". O número de asuntos que deberon atender na Valeduría aumentou en 34%, ao pasar de 2.912 en 2020 a 3.936. Un total de 19.544 persoas dirixíronse á institución para presentar reclamacións ou pedir orientación e asesoramento sobre os seus problemas. A "Liña do Galego" da Mesa rexistra máis de 400 queixas no último ano As áreas con máis volume de asuntos foron Sanidade, 22,18% do total, Emprego Público e Traballo, 10,7%, Corporacións Locais e Servizos Municipais, con 10,56%, e Inclusión Social, con 7,45%. En Sanidade houbo 1.612 reclamantes, o que supón unha media superior ás catro cada día. Os temas sobre os que trataban esas queixas eran, nomeadamente, listas de espera ou déficit de persoal en centros sanitarios. 714 queixas facían referencia ao fechamento do centro de saúde de Paradela (Meis). En 2021 presentáronse máis de 5.300 reclamacións a respecto do ensino. Delas, 4.600 procedían da veciñanza de Salceda en relación ao IES Pedras Rubias. Residencias, exclusión financeira ou LGTBfobia O completo informe, case 800 páxinas, que onte presentou a valedora do Pobo toma o pulso ás preocupacións —expresadas a través de queixas, consultas ou peticións—da sociedade galega nun exercicio, 2021, aínda marcado pola pandemia. Así, hai queixas pola insuficiencia das prazas nas residencias, polas listas de espera en dependencia, a exclusión financeira, os despexos ou os recortes no transporte escolar. As agresións ou discriminacións por orientación sexual e identidade de xénero tamén están recollidas neste documento, así como as dificultades nas carreiras de mulleres investigadoras interrompidas pola maternidade. A valedora advertiu de que é preciso estar en alerta fronte ao "risco do retroceso global" en dereitos humanos derivados da pandemia.
NOS_5729
Anuncia que a súa renuncia ao despedimento de 56 traballador@s anunciado a comezos de ano.
Através dun comunicado a empresa que xestiona o hospital vigués, Povisa, anunciou e comunicou ao comité de empresa a súa decisión de retirar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) anunciado e co que a dirección do centro hospitalario prevía destruír 56 postos de traballo. Neste senso, Povisa propuxera o despedimento de 56 persoas. Trinta e catro por razóns económicas que abranguían 14 persoas do servizo de limpeza do hospital, 5 telefonistas e 6 traballador@s do control de visitas. Estes servizos desaparecerían co despedimento da totalidade de operari@s que actualmente posúen. Aliás, Povisa visa despedir 10 fisioterapeutas, 12 celador@s, 3 persoas da administración de arquivo e 7 de recepción, entre as que se atopan as 4 persoas que compoñen a secretaría clínica, que tamén desaparecería. O comité de empresa rexeitara o ERE após denunciar que a empresa obtivo 11 millóns de beneficios no exercicio anterior e ter asinado un convenio co Sergar polo que se lle concedían 75 millóns de euros ao ano durante unha década.
PRAZA_2575
O Encontro de Política Lingüística Municipal reuniu en Compostela alcaldes, concelleiros e técnicos de ducias de localidades que buscan traballar en rede no impulso do idioma e unir máis municipios, tamén de cara a un chamamento público conxunto co gallo do centenario das Irmandades da Fala
Uns 70 concellos de toda Galicia participaron este luns en Compostela no Encontro de Política Lingüística Municipal organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL) e polo Concello de Santiago. Foi no que pretende ser un primeiro paso cara á colaboración e o traballo en rede que estes municipios -e outros que se poidan ir engadindo- pretenden levar a cabo nos vindeiros meses a prol do galego e do seu impulso, tanto a través de medidas e accións concretas como a través da visibilidade e dos chamamentos conxuntos a favor da lingua propia. "Houbo concellos de todos os tamaños e de todas as cores políticas; foi unha cita importante pero sempre se botan en falta municipios" "Había concellos de todos os tamaños e de todas as cores políticas; cremos que foi unha cita moi importante, pero sempre se botan en falta outros municipios que nos gustaría que estivesen e que agardamos que se incorporen no futuro ás dinámicas e recomendacións que se acordaron", asegura Nel Vidal. O presidente da CTNL fai balance dunha xornada que, máis aló das accións concretas acordadas, é "fundamental pola visibilidade dos concellos que se implican". "É moi importante pola mensaxe social que se manda e porque uns municipios tiran doutros", engade. Ademais das medidas puntuais, no Encontro propuxéronse "ferramentas estruturais para os concellos" na procura da normalización do idioma propio e que foron "concretizadas" en dúas: ordenanzas de impulso do galego para os municipios e a creación e impulso dos servizos de normalización (SNL), que tantos recortes e desaparicións sufriron nos últimos anos. "Son medidas posibles e moi positivas", insiste Vidal, que lembra que mesmo se presentou un texto base de ordenanza para que as administracións locais comecen a traballar nel e se advertiu das posibilidades dos SNL, tamén en canto ás opcións que ofrecen axudas como as da Deputación da Coruña, cunha dotación que "duplicará a de anos anteriores", ou ás posibilidades de "compartir recursos entre varias localidades, sobre todo as máis pequenas". O Encontro propuxo "ferramentas estruturais" como os servizos de nromalización e as ordenanzas a prol do galego, máis aló das accións concretas Alén disto, e en canto ás accións puntuais, presentáronse tres, dúas delas xa en marcha e outra máis que comezará en 2016. Así, unha delas é o proxecto Apego para a socialización dos máis pequenos no galego, impulsado pola CTNL e activo xa en varios municipios galegos; e outro o Club de Debate que con tanta relevancia callou en Pontevedra. Ao tempo, presentouse tamén o proxecto para o fomento de youtubeir@s en galego por parte do Concello de Ourense. Diferentes localidades irán confirmando nas vindeiras semanas a súa participación nestas diferentes iniciativas para o impulso do idioma. O Encontro foi un "primeiro chamamento" de cara a unha colaboración en rede e á unión de máis concellos no vindeiro ano Porque o Encontro, tal e como aclara Nel Vidal, "foi pensado como primeiro chamamento". Un chanzo inicial que terá a súa continuidade noutras accións e que volverá reunir os representantes dos concellos, "de considerarse necesario", no vindeiro ano ou dous anos. "O chamado para 2016 é a entrada dos municipios nestas dinámicas", engade o presidente da CTNL, que anucia tamén que cara a mediados do vindeiro ano, e con motivo do centario das Irmandades da Fala, preténdese unha declaracións pública e conxunta destes concellos e de moitos máis que se unan a prol da normalización do galego. A Coruña triplicará o orzamento Ademais disto, no Encontro levouse a cabo un debate no que interviron o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; o de Lalín, Rafael Cuíña; o da Estrada, José López Campos; así como Carmen Basadre e Isabel Vaquero, concelleiras en Lugo e Ames. Todos eles destacaron o papel da política municipal e das súasu accións no futuro da lingua galega. O rexedor coruñés aproveitou para anunciar que o Concello vai triplicar o persoal e o orzamento para o servizo municipal de normalización lingüística por "entender que o galego ten que ser transversal". Ademais, destacou como novidades o feito de que tanto a comunicación pública municipal como a dos concelleiros e concelleiras sexa "sempre en galego". "A normalidade ten moito que ver, e vaise trasladando pouco a pouco á cidade", engadiu, tras destacar o "ambiente favorable que en xeral hai" cara ao idioma propio na cidade. "A Coruña é a cidade con máis galegofalantes do mundo; o 24M desmontou tópicos", di Xulio Ferreiro "A Coruña é a cidade con máis galegofalantes do mundo. Nos barrios escóitase galego e a xente nova que chega das vilas segue falando galego. Estas eleccións municipais desmontaron tópicos e amosaron que na Coruña non hai un rexeitamento. Que unha forza política que fai unha campaña 100% en galego conseguise alcanzar o goberno é a mostra", insistiu. Pola súa banda, Carmen Basadre, concelleira de Cultura en Lugo, destacou a importancia das "políticas transversais" de fomento do galego nos concellos e explicou diversas actuacións levadas a cabo pola administración local en materia de promoción da lingua, como certames literarios, actividades nos centros educativos ou animación á lectura e contacontos. Antes, o alcalde compostelán, Martiño Noriega, mostrou o seu desexo de que Santiago "volva exercer, igual que neste pasado recente, e abrir as portas da nosa casa para que desde hoxe poidamos traballar, conxuntamente e mancomunadamente, para construír ese novo discurso que o galego precisa". Para o rexedor, é necesario "actualizar o noso entusiasmo, traballar en rede e reforzar a colaboración entre todos os concellos", para ser "esa primeira pedra do novo futuro que queremos construír para a lingua". Ademais, insistiu en que "as administracións locais non deben colocarse de perfil porque a lingua tamén é da nosa competencia".
NOS_10398
A maioría teñen entre 16 e 17 anos e proceden de Afganistán, segundo o Eurostat.
Entre 2014 e 2015 cuadruplicáronse a cifra de menores de idade sen acompañamento que solicitaron asilo político na UE. Así o recolle o Eurostat nun estudo publicado o 2 de abril. Neste senso, trátase de adolescentes (91%) entre 16 e 17 anos que proceden na súa maioría (51%) de Afganistán e que solicitaron acollemento en Suecia (40%), Alemaña (16%), Hungría (10%) e Austria (9%), principalmente, o que coincide tamén cos estados membros da UE que maior número de solicitudes reciben en termos absolutos. No caso do Estado español apenas se rexistraron 25 o pasado ano, maioritariamente de persoas con nacionalidade siria e en Portugal 75. A cifra total rexistrada en 2015 (88.300 persoas) supón o cuádruplo das persoas menores de idade sen acompañamento que solicitaron asilo en 2014 (23.000 persoas). En países como Italia estas solicitudes representan o 56% do total. Entretanto o número de persoas refuxiadas e migrantes que continúan a chegar ás costas de Grecia e Italia non cesa. Entre xaneiro e abril de 2016 rexistráronse 154.661 chegadas a Grecia e 27.265 a Italia, de acordo cos dados publicados pola Organización Internacional para as Migracións (OIM). Aliás, 1.244 perderon a vida tentando chegar á costa.
NOS_575
A próxima terza feira, 25 de maio, a Comisión de Facenda do Congreso aprobará a Lei de medidas de prevención e loita contra a fraude fiscal. No debate do relatorio do proxecto de lei o BNG, a través do seu deputado, Néstor Rego, presentou emendas por "invadir competencias" propias da Galiza e por "penalizar fiscalmente as herdanzas en vida".
As emendas presentadas polo BNG contra o Proxecto de Lei de medidas de prevención e loita contra a fraude fiscal por entender que se invaden "as competencias galegas previstas no Dereito Civil da Galiza" e que "penalizan fiscalmente as herdanzas en vida" foron tombadas polo PSOE e Unidas Podemos. Néstor Rego chama as forzas que apoian o Goberno a rectificar na votación que se producirá na próxima terza feira, día 25, na Comisión que aprobará unha lei que regula de maneira indirecta "unha figura propia do dereito civil da Galiza", "facendo que na práctica non sexa posíbel acudir á figura dos pactos sucesorios", engade. Ademais, a regulación, "supón un tratamento discriminatorio desde o punto de vista fiscal para aqueles herdeiros ou herdeiras que reciban bens en vida fronte a aqueles que o fan tras a morte dun familiar". Un acto "inxusto" Nunha nota de prensa o deputado nacionalista explica que "neste último caso, se a persoa que herda recibe os bens tras a morte do familiar e a continuación procede á súa venda, só deberá tributar pola plusvalía desde o momento da recepción dos bens e até a efectiva transmisión". "No entanto, o texto do proxecto de lei prevé que se se tratar dunha herdanza en vida, e os bens foren vendidos antes da morte do causante, deberá tributar polo incremento patrimonial desde que o testador adquirise o ben", expón. "Resulta a todas luces inxusto considerar que realizar un acto lexítimo segundo o Dereito Civil Galego e respectando as normas tributarias propias da Administración galega, sexa unha práctica de elusión fiscal", sinala. O portavoz do BNG no Congreso pon de manifesto que "non só estamos a falar dunha inxerencia nas competencias galegas, estamos diante dunha medida inxusta e inxustificábel que penalizará fiscalmente as herdanzas en vida até as facer practicamente inviábeis".
NOS_30169
O comité de empresa de Meirama percorreu a pé o camiño que hai desde Mesón do Vento até Cerceda para exixir das administracións e da propia Naturgy respostas diante da situación de indefinición na que se atopa a planta.
Meirama botará o fecho en 2020. A noticia, confirmada en xaneiro, foi seguida dunha serie de anuncios e declaracións da empresa, Naturgy, e das administracións prometendo plans, proxectos e investimentos para que a comarca poida afrontar o futuro sen a industria que levaba 40 anos funcionando e xerando emprego. O comité de empresa de Meirama percorreu esta terza feira a pé a distancia entre Mesón do Vento e Cerceda nunha marcha para pedir das administracións e da propia Naturgy respostas diante da situación de indefinición na que se atopa a planta. Á súa chegada a Cerceda compareceron en rolda de prensa onde recibiron o respaldo dos alcaldes de Ordes e Cerceda. Segundo explicou o presidente do comité, Bautista Vega (CIG), o persoal de Meirama exixe da ministra de Transición Ecolóxica que explique destino e cantidade das subvencións aos centros afectados. "Queremos que nos aclare para que son os cartos que dixeron que ía a haber para as comarcas afectadas polo peche provocado pola transición do carbón para producir enerxía eléctrica e que de que cantidade de cartos estamos a falar". Vega exixiu da Xunta que presione Naturgy para que instale outro tipo de tecnoloxías que permitan manter os postos de traballo. "Pode ser a biomasa, que se ben non mantería todos, si garantiría parte dos postos de traballo tanto da empresa principal como da auxiliar e manter o enclave produtivo". Lembrou neste sentido que Naturgy, no seu día, anunciou que habería unha serie de investimentos dos que non se volveu a falar. A central de Meirama, propiedade de Naturgy é unha instalación "estratéxica para a xeración da enerxía eléctrica no noso país", explica Vega. O seu peche causaría un grave impacto económico e laboral nas comarcas afectadas e en xeral en Galiza, "que pode pasar de ser excedentaria na produción de enerxía eléctrica a ser deficitaria", alerta. De se levar a cabo o cese de actividade, afectaría uns 100 postos de traballo directos, outros tantos das auxiliares e os negocios xerados arredor da empresa. O comité de empresa levan tempo demandando da Xunta que lidere unha comisión que, tendo en conta a importancia do carbón mix enerxético, deseñe unha transición enerxética razoable e sostible no tempo, cara outras tecnoloxías. Nesa comisión terían que estar a Xunta, os concellos afectados, os sindicatos representantivos de Galiza, os partidos políticos con representación parlamentaria e os comités de empresa afectados, así como os centros de investigación e desenvolvemento económico e enerxético.
PRAZA_12412
Os conservadores tomban unha recomendación nacionalista para que o organismo fiscalizador elabore un informe na redución de fondos para servizos públicos. Unanimidade de populares, socialistas e nacionalistas para fiscalizar a administración paralela e os contratos 'a dedo'.
"É unha recomendación moi xenérica e sería moi pouco factible" realizala "sen que pretendamos colapsar" o funcionamento do Consello de Contas. É a xustificación que o deputado do PP Jesús Goldar puxo este venres sobre a mesa para rexeitar a proposta do BNG para que o organismo que fiscaliza as finanzas públicas galegas incluíse no seu vindeiro plan de traballo un informe específico sobre o impacto dos recortes sociais da Xunta. Defendida polo voceiro nacionalista de economía, Carlos Aymerich, a recomendación que o Bloque reclamaba aprobar instaba o Consello a "investigar", esencialmente, a repercusión nos servizos públicos das "redución e modificación de partidas e programas" nos orzamentos galegos. No marco da comisión para a relación co Consello de Contas Aymerich considerou "importante" un informe destas características para ver "en que medida" son certas as "afirmacións de que se reduce o accesorio e non o esencial" e se "estamos ou non arriscándonos a unha xeración perdida en materia educativa, en expectativas laborais" ou se "eses recortes teñen ou non relación co incremento da inmigración". "Nós, pensamos que si", precisou o parlamentario nun contexto no que, en todo caso e ante a negativa do PP, esta seguirá a ser unha cuestión interpretable polas forzas políticas, pero non obxectivable a través dun informe oficial. Á marxe deste veto, a votacións das recomendacións do Parlamento ao Consello de Contas estivo presidida por un importante grao de consenso, a comezar pola outra proposta do BNG, centrada en que este organismo estude se a Xunta está a cumprir a "incorporación de criterios sociais, ambientais e de xénero na contratación pública", xa que hai "un acordo dende hai dous anos" neste sentido, aprobado pola unanimidade da Cámara a proposta do Bloque. Esta iniciativa si foi aceptada polo PP, se ben Goldar asegura que o Goberno xa cumpre "constantemente" esta recomendación. A fiscalización dos 'chiringuitos' centrou a maior parte das recomendacións para o Consello de Contas aprobadas polos grupos Igual que esta recomendación do Bloque tamén tiveron éxito sete das oito presentadas polo PSdeG, que saíron adiante con pequenas variacións "semánticas" reclamadas polo PP. Así, por exemplo, o Consello de Contas terá que "analizar e informar" os "prazos medios de pagamento a provedores por parte da Xunta e das súas sociedades", nun contexto no que segundo o socialista José Manuel Lage Tuñas, malia á "propaganda oficial", segue a haber "facturas no caixón". Ademais, a unanimidade da comisión avalou tamén a proposta dos socialistas para que o Consello analice os contratos "negociados sen publicidade", os popularmente coñecidos como contratos a dedo, e tamén avalíe de maneira "pormenorizada" a "dimensión do sector público institucional" e a "razón de ser" de cada un dos chamados chiringuitos. Nesta última Lage fai fincapé na necesidade tamén de que se inclúan os entes paralelos das deputacións provinciais xa que, exemplifica, estas institucións non están "para criar cabalos". "Cuestións equinas aparte", o PP aprobouna. Precisamente sobre as empresas e entidades públicas xiran a maior parte das recomendacións impulsadas polo PP e, obviamente, tamén aprobadas. Así, o Consello de Contas analizará as fontes de financiamento destes organismos públicos, fiscalizará a súa política de persoal e a evolución do seu endebedamento. "Seguramente se sorprenderán da capacidade de negociación deste grupo, aceptando o 95% das súas recomendacións", ironizou o voceiro conservador.
NOS_21253
Até 250 toneladas de bio residuos foron xestionadas nos centros de compostaxe comunitaria do Morrazo desde que en 2016 se puxo en marcha o primeiro composteiro da comarca. Agora xa son nove e a calidade do compost que producen ten a maior cualificación dentro dos parámetros esixidos pola Unión Europea.
Os nove composteiros cos que contan os concellos da comarca do Morrazo produciron desde que se comezaron a implantar en 2016 até hoxe máis de 85 toneladas de compost, xestionando até 250 toneladas de bio residuos. Estes centros de compostaxe comunitaria están enmarcados dentro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, institución que a sexta feira 23 de agosto participou en Cangas por medio "das e dos mestres composteiros" nas Xornadas Etnográficas do Morrazo dando a coñecer as vantaxes da compostaxe como modelo de xestión do lixo, ambientalmente sustentábel e máis económico que o actual. Actualmente hai nove composteiros comunitarios activos na comarca Actualmente hai nove composteiros comunitarios activos na comarca. Dous deles están instalados no Concello de Bueu, un desde 2016 e outros desde 2017. Ambos os dous trataron xa arredor de 72 toneladas de bio residuos, é dicir, de lixo orgánico da veciñanza da zona como son restos de comida e vexetais, así como restos de fracción vexetal resultantes das podas. Estes residuos foron tratados in situ baixo a vixilancia das mestras e mestras composteiras Estes residuos foron tratados in situ baixo a vixilancia das mestras e mestras composteiras até que se converteron en compost e, por tanto, detraéronse dos colectores verdes e non tiveron que ser enviados a Sogama. O resultado foi a produción de aproximadamente unhas 25 toneladas de compost groso, das que unha parte quedou en bruto para fertilizar xardíns e fincas e outra pasou pola peneira para obter compost máis fino para ser utilizado en macetas pequenas. En Bueu o resultado foi a produción de 25 toneladas de compost groso, das que unha parte quedou en bruto para fertilizar xardíns e fincas En Cangas a veciñanza ten a disposición tres centros de compostaxe comunitaria desde outubro de 2016. Estes composteiros levan tratadas máis de 116 toneladas de bio residuos e producidas arredor de 39 toneladas de compost, que tamén se repartiron entre a veciñanza e os servizos municipais para o coidado dos xardíns públicos. En Moaña existen outros catro centros de compostaxe comunitaria. Os máis antigos foron instalados en xullo de 2016 e contan cunha grande participación social e incluso unha horta urbana posta en marcha de forma paralela. Esta boa acollida levou ao Concello a aumentar o número de composteiros, instalando un de grandes dimensións na rúa Daniel Castelao, que conta con dez módulos, en febreiro deste ano, e outro no CEIP Reibón no mes de abril. O persoal técnico da deputación leva xestionado en Moaña unhas 65 toneladas de bio residuos que supuxeron a produción dunhas 22 toneladas de compost sen cribar. Converteren os restos da comida e vexetais nun recurso para producir compost e fertilizar a terra Ademais de converteren os restos da comida e vexetais nun recurso para producir o compost e fertilizar a terra, co beneficio ambiental que implica, os composteiros tamén teñen unha vantaxe económica para as arcas municipais, xa que non deixa de ser preciso recoller o lixo orgánico, aforrándose así os custos dos camións e non hai que trasladar lixo a Sogama, aforrando o custo de transporte e incineración. O composte producido ten a maior cualificación dentro dos parámetros esixidos pola Unión Europea As mestras composteiras tamén sinalaron durante as xornadas que a calidade do compost que se produce nos centros de compostaxe comunitaria implantados pola Deputación de Pontevedra é moi alta, tendo a maior cualificación dentro dos parámetros esixidos pola Unión Europea. Subliñaron ademais que periodicamente se realizan analíticas e que os datos se cargan nunha exclusiva aplicación móbil de maneira telemática para que a deputación centralice os datos de todos os centros de compostaxe, seguindo o seu funcionamento e garantindo a trazabilidade dos lotes de compost producidos.
PRAZA_10547
O Festival de Ortigueira aposta por "volver á orixe da cultura que empapa esta celebración" baixo o lema 'Oito nacións, unha cultura'. Repasamos algunhas das bandas e artistas que pasarán pola vila do 11 ao 14 de xullo
Nos últimos anos o Festival de Ortigueira apostou por recuperar a súa esencia, achegándose máis ás súas raíces e, nalgún caso, eliminando elementos que, por razóns diversas, se lle foran agregando cando tornou definitivamente nun evento de masas. Corenta anos despois do seu nacemento, o Festival Internacional do Mundo Celta fai neste 2019 unha nova aposta por "volver á orixe da cultura que empapa esta celebración musical, cultural e histórica" e por iso, dende o lema anunciador, fan "un chamamento ao resto de nacións celtas, convidándoas a compartir connosco un novo festival".O Festival de Ortigueira aposta por "volver á orixe da cultura que empapa esta celebración" baixo o lema 'Oito nacións, unha cultura'Oito nacións, unha cultura é o lema desta edición do Festival de Ortigueira e o seu cartel anunciador, obra de Cristian F. Caruncho, representa esas oito nacións cos "grandes protagonistas" do evento, os músicos, coa emblemática praia de Morouzos como fondo. Unha punkiereteira asturiana, unha arpista de Gales, un representante de Cornualles a tocar o bodrhan, un gaiteiro escocés, unha frautista bretoa, unha violinista da Illa de Man, unhas bailarinas irlandesas e un vello gaiteiro galego protagonizan un cartaz que ten o mesmo propósito que o vídeo producido para a ocasión: "a unión das oito nacións celtas en Ortigueira".En vésperas do festival, que se celebra do 11 ao 14 de xullo, achegámonos a algúns petiscos musicais da ampla programación que comezará o xoves, coa inauguración do festival na Praza de Isabel II, a interpretación do himno galego por parte da Escola de Gaitas de Ortigueira e o izado das bandeiras das oito nacións celtas. A continuación comezará a música no escenario central do festival. Velaquí algunhas das bandas que pasarán por el.GwendalUns históricos bretóns do "rexurdir celta nos anos 70", resaltan dende a organización do Festival de Ortigueira. Tras unha ducia de discos editados e corenta anos polos escenarios de toda Europa, os seus temas son case himnos do xénero. O jazz ou o rock tamén teñen ecos no seu repertorio, inspirado maioritariamente en melodías populares. Nestas imaxes, a banda tocando en Ortigueira en 2013.The Moving HeartsFusión de sons tradicionais de Irlanda coa música urbana. Nados a comezos dos 80, os Moving Hearts mesturaron múltiplas influencias nunha intensa primeira xeira da súa traxectoria que finalizou nos anos 90, cando chegaron a interpretar o seu concerto de despedida. Pero en 2007, cando saíu á luz a súa Platinnum Collection, decidiron "seguir explorando", a comezar por un disco gravado ao vivo en Dublín. E velaquí seguen.Project SmokEste trío escocés naceu como dúo en Glasgow no 2017. Ao ano seguinte xa eran tres e xuntos "fixéronse oco na escena da música tradicional con gran velocidade", destacan dende o Festival de Ortigueira. Un dos seus valores, a mestura da música tradicional "co explosivo e, por momentos, non convencional de diversos estilos".Chegan ao Festival de Ortigueira co aval de seren nomeados na categoría Best Up and Coming Artist nos Scots Trad Awards. Traen consigo, ademais, un proxecto para un inminente segundo disco, que verá a luz neste verán.LeilíaAs Leilía chegan a Ortigueira en plena celebración do seu trixésimo aniversario, do que nace o seu espectáculo CantarElas, unha nova aventura "cos pés postos no novo traballo discrográfico, pero coa ollada posta nas orixes e ao percorrido xuntas".Temas emblemáticos da súa traxectoria dende os xa históricos Leilía ou I é verdade i é mentira ata os máis actuais, como Consentimento, estarán presentes na súa actuación en Ortigueira. O festival convida a acompañalas e "perocrrer unha historia chea de fabulosos momentos" e de retallos de historia da tradición e da música galega.
NOS_33583
O secretario xeral do PSdeG, que esta quinta feira mantivo unha reunión coa ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, considera que deben ser "os tribunais" os que aclaren até cando ten vixencia a concesión dos terreos da celulosa en Lourizán. O Goberno do Estado aposta nunha mesa de diálogo mentres que o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, considera que esa non é unha solución.
Nun contexto de tensión entre todas as partes implicadas no futuro de Ence, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballeiro, tamén deu hoxe a súa opinión sobre este conflito sobre a permanencia da celulosa na ría de Pontevedra. Para o socialista -que estivo en Madrid para unha xuntanza coa ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera- na realidade, e por máis disputas que haxa, van ser "os tribunais" os que aclaren "até cando é válida" a concesión da planta de Ence. Neste sentido lembrou que, malia o intento de negociacións por algunhas bandas, o asunto está "xudicializado". Chegou a ese proceso, na súa opinión, pola "prórroga mal feita por parte do Partido Popular". Esta última formación política está sendo unha das grandes protagonistas desde que creceu o malestar e o enfrontamento en Pontevedra. "Se os tribunais conceden unha prórroga durante un tempo longo, ese será o espazo de duración que terá a empresa", remarcou Caballero. Ademais, subliñou que, "desde logo, até o ano 2033 hai un plan no que se pode traballar para buscar vías que posibiliten que haxa futuro desa actividade industrial na Galiza máis alá" desas datas. En calquera caso, e despois desa reunión coa ministra, afirmou que o Goberno do Estado español vai intentar pór en marcha unha mesa de negociación -tal e como propoñía hai uns días o BNG batendo coa negativa do PP- na que deben estar "todas as administracións, a empresa, o comité e os traballadores". Críticas de Fernández Lores A este respecto manifestouse o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que dixo que participará "por cortesía" pero que non pensa que a participación do concello sexa "imprescindíbel". De feito, non ve onde está a solución neste método. "Cando se quere resolver un problema, noméase un responsábel, e cando se quere atrasar o tema, créase unha comisión, e cando máis grande e máis diversa moito mellor", reprochou. Ao seu modo de ver "o que hai que facer é tomar decisións, coller o toro polos cornos". O cadro de persoal, dixo en todo caso Caballero, van ter o seu compromiso para que a celulosa continúe nun futuro, mais "fóra da situación actual unha vez que finalicen todas as prórrogas da concesión existentes". Aliás, falou dos tempos extra facilitados ás conserveiras, polas que vai seguir mirando.
NOS_50614
As candidatas Carme Adán (Nós Candidatura Galega), Yolanda Díaz (En Marea) e Pilar Cancela (PSdeG) debateron na Nave de Vidán, nun confronto dialéctico marcado pola ausencia de Ciudadanos e PP. Por problemas técnicos, o acto non puido ser retransmitido ao vivo, mais esta tarde ofereceremos uns vídeos editados cos mellores momentos do debate.
As candidatas Carme Adán (Nós Candidatura Galega), Yolanda Díaz (En Marea) e Pilar Cancela (PSdeG) debateron na nave de Vidán desde as 12 horas. Por problemas técnicos, o acto non puido ser retransmitido ao vivo, mais esta tarde ofereceremos uns vídeos editados cos mellores momentos do debate. Adán, Díaz e Cancela mostraron as súas alternativas en relación a catro bloques temáticos: economía e traballo, política internacional, dereitos sociais e liberdades públicas e Galiza ante o debate territorial. As candidaturas do Partido Popular e Ciudadanos estaban convidadas ao debate, pero declinaron participar del no último momento. Nota: esta noticia foi actualizada ás 14.43 horas.
NOS_6664
Trece colectivos subscriben un manifesto no que instan a RAG a que adíe ao ano que vén a homenaxe ao escritor e lingüista.
Trece colectivos da Galiza apoian un manifesto polo cal se solicita que o Día das Letras Galegas que este ano se lle dedicaba a Ricardo Carvalho Calero teña como homenaxeado en 2021 ao escritor e lingúista ferrolán ao ser imposíbel homenaxear Carvalho Calero este ano por mor do estado de alarma e pandemia do coronavirus. Lembran que o reintegracionismo de base acumula máis dunha década de loita por conseguir que o Día das Letras Galegas fose para Ricardo Carvalho Calero. Que finalmente se lle concedese foi, apontam, unha oportunidade para a "socializaçom da sua figura e da sua obra neste 2020, ao asumir a RAG, por fim, a homenagem que o povo galego deve a um dos seus grandes filhos". Estes colectivos opóñense a que o adiamento da homenaxe ao 31 de outubro deste ano sirva para dar por cuberto o Día das letras Galegas. "Nessas datas é praticamente impossível garantir que a figura de Carvalho Calero seja trabalhada e divulgada como deveria ser", aseguran. "Tampouco está garantido que nessa data seja possível nengum tipo de mobilizaçom. Nom imaginamos um Dia das Letras sem a reivindicaçom na rua da defesa do nosso idioma ou sem as muitas atividades culturais que se desenvolvem por todo o País." Asinan: Associaçom de Estudos Galegos, BRIGA, Coletivo Terra (Eume), CS A , Gentalha do Pichel (Compostela), CS A Revolta (Vigo), CS Gomes Gaioso (Corunha), CS Fuscalho (Baixo Minho), CS Madia Leva (Lugo), CS O Quilombo (Ponte Vedra), Escolas de Ensino em Galego Semente, Fundaçom Artábria (Trasancos), Local Social Faisca (Vigo) e SCD Condado (Condado)
NOS_203
José Luis Losa non dirixirá a edición número 33 do festival Cineuropa de Santiago de Compostela. A súa proposta quedou excluída do concurso por un defecto de forma. Unha empresa madrileña fíxose coa licitación e, por primeira vez na historia do certame, pode mudar a súa dirección.
Había dez anos que a proposta de Losa non tiña competidores non concurso público do Concello de Santiago. Mais desta volta, segundo a información adiantada por medios locais esta segunda feira, si o fixo La Tropa Produce, compañía madrileña que organiza os premios Feroz, o Festival de Alcántara ou o Cine de Verán Conde Duque. O proceso de licitación do festival aínda está aberto.
PRAZA_1161
Moitos e moitas persoas residentes de forma temporal no exterior (novos emigrantes, na súa meirande parte) atoparon tantas dificultades para votar que finalmente tiveron que renunciar a facelo. É o caso de Aitor Insunza en Hungría e de Samuel Cebreiro en Croacia.
Dende hai varios meses distintos colectivos, coma Marea Granate, e persoas a nivel individual veñen denunciando as difultades que para exercer o seu dereito ao voto atopan os e as residentes no exterior de forma temporal. Trátase de cidadáns e cidadás que na súa meirande parte acaban de marchar a outros países, en moitos casos na procura de traballo, e tamén por cuestións formativas e outros motivos e que polo tanto teñen esa condición de residentes temporais. Nalgúns casos esa temporalidade acabará sendo permanente, engrosando o Censo de Residentes Ausentes (CERA), pero mentres tanto existe para eles e elas outro rexistro, o censo de residentes temporais (ERTA), que en teoría lles permite votar en todos os comicios que se celebran en España, mesmo as eleccións municipais (os e as inscritas no CERA, por exemplo, non votan nos comicios locais). Existe para eles e elas outro rexistro, o censo de residentes temporais (ERTA), que en teoría lles permite votar en todos os comicios que se celebran en España, mesmo as eleccións municipais (os e as inscritas no CERA non o poden facer) A Marea Granate, colectivo que agrupa novos emigrantes españois, chegou a denunciar que o Goberno estaba "dificultando" o dereito ao voto dende o exterior, impedindo ou obstaculizando estas inscricións, a través de informacións erróneas proporcionadas por consulados de todo o mundo. Nalgúns casos, estábase indicando que o prazo de inscrición xa rematara, cando non era certo, ou denegando estas inscricións baseándose en supostas limitacións legais que non figuraban na LOREG nin no Real Decreto 1621/2007 que regula o procedemento de votación para os residentes temporais. Esta andaina burocrática converteuse nun muro insuperable para moitas persoas residentes do exterior, sobre todo cando non tiñan unha embaixada preto ou onde os consulados non cumprían as súas funcións Noutras ocasións, os obstáculos eran de tipo burocrático, sen impedir de forma taxativa o exercicio do voto, pero si dificultándoo de tal xeito que, na práctica, acaban por facelo imposible para moitos e moitas votantes. E é que para estes e estas cidadás votar non é tan sinxelo. O primeiro paso sería a inscrición no censo de residentes temporais (ERTA), para facer despois o rogo do voto, que debe facerse de forma presencial, nas embaixadas e (en principio) tamén nos consulados. O rogo (ou solicitude) do voto podía realizarse dende a convocatoria de eleccións (o 31 de marzo) ata 25 días despois desa data. Recomendábase polo tanto (sobre todo ás persoas que non teñan un consulado preto) realizar de forma conxunta a inscrición no censo de residentes temporais e o rogo de voto ao mesmo tempo, para aforrar unha viaxe. Unha vez realizada a inscrición no censo e o rogo do voto, o resto do proceso é exacto ao do voto por correo dende calquera punto do interior do Estado. Porén, alén doutras dificultades (coma as xa citadas informacións erróneas ou as denegacións de inscricións), esta andaina burocrática converteuse nun muro insuperable para moitas persoas residentes do exterior, sobre todo cando non tiñan unha embaixada preto ou onde os consulados non cumprían as súas funcións. Citábase, por exemplo, o caso de Irlanda, onde só se podía realizar o rexistro de matrícula consular e solicitar o voto na oficina da embaixada, en Dublín, mentres que os viceconsulados honorarios, en Castletownbere, Waterford, Galway, Sligo, Limerick ou Cork, non estaban autorizados para facelo. As persoas que vivan fóra da capital teñen, pois, que facer un esforzo notable para ter a posibilidade de exercer o seu dereito ao voto. "Compatibilizar citas na embaixada co traballo resultoume imposible, polo que realmente as institucións me negaron o dereito de sufraxio" Aitor Insunza, do Barco de Valdeorras, vive en Budapest (Hungría), e a pesar de integrar a lista da Riada Cidadá nesta localidade (no posto 17), denuncia que non poderá exercer o seu voto. "Hungría é o segundo país do estranxeiro no que vivo e traballo, pero non podo enganarme a min mesmo: se algún día quero volver ó meu país, non vou poder facelo. Aquí atópome ben nestes intres, pero pensar na volta é un auténtico crebacabezas sen solución", comenta. Explica que "o proceso de votación desde o estranxeiro é moi longo (rexistrarse primeiro, facer papeleos despois, pedir o voto por correo...) e os horarios da embaixada reducidos". "Compatibilizar citas na embaixada co traballo resultoume imposible, polo que realmente as institucións me negaron o dereito de sufraxio" -engade- "Por iso, desde aquí pídovos que votedes no meu lugar". Hai unhas semanas, de igual xeito, escribíanos dende Opatija (Croacia) Samuel Cebreiro, explicando nun artigo as razóns polas que asumira que non ía poder exercer o seu dereito ao voto: "Logo de asentarme en Croacia e de revisar as instrucións a seguir para votar dende aquí, o meu primeiro paso foi Google. Ao non entender moito, preferín dirixirme por escrito ao facebook da Embaixada Española en Croacia (sita en Zagreb). A miña pregunta foi se había outra maneira de solicitar o voto sen ter que presentarme na oficina consular, xa que vivo a tres horas da capital. A resposta foi unha negativa e un arquivo adxunto sobre o proceso das eleccións autonómicas de outras rexións. Volvín a preguntar sobre o caso das municipais de Galicia, e a resposta foi unha URL do Ministerio de Exteriores". "A miña pregunta foi se había outra maneira de solicitar o voto sen ter que presentarme na oficina consular, xa que vivo a tres horas da capital. A resposta foi unha negativa" Samuel Cebreiro amosaba a súa estrañeza polo feito de que "a día de hoxe, en pleno 2015, non somos capaces de ofrecer solucións executando un DNI electrónico na web" e engadía que "son dos que pensas que estas cousas fanse para evitar dar voz e voto (nunca mellor dito) aos que non estamos na casa". "Seguramente non serei o único, pois sei que en pasadas citas electorais houbo tamén algunha persoa que tivo dificultades similares. Pasan os anos e seguimos igual", concluía. Marea Granate está a organizar concentracións en cidades de todo o planeta para o mesmo domingo 24 maio, data das eleccións Casos coma este hai moitos, de persoas procedentes de distintos territorios e esparexidas por países diversos en todo o mundo. Para denunciar contra estes obstáculos e contra un sistema que acaba en moitas ocasións por impedir de facto un dereito, Marea Granate está a organizar concentracións en cidades de todo o planeta para o mesmo domingo 24 maio, data das eleccións. Hai xa 17 convocatorias, de Nova York a Atenas, pasando por Berlín, Londres e Bos Aires. Nas concentracións, que poden ser tamén auto-convocadas, protestarase contra o "voto rogado", que acaba por se converter nun "voto roubado", denuncian, sendo incompatible co exercicio do sufraxio universal.
NOS_23129
Pequín impón medidas contra a Covid intentando evitar chegar ao pico pandémico no que se atopa Shangai. A Covid podería facer medrar a inflación na China, os expertos din que unha crise económica no país podería conlevar consecuencias a nivel global.
As autoridades de Pequín, a capital chinesa, informaron na cuarta feira do feche de decenas de estacións de metro e a suspensión do servizo de autobuses da cidade debido ao último gromo de coronavirus rexistrado na zona. Ómicron provoca o maior gromo da Covid-19 na China desde o inicio da pandemia Aínda que se confirmaron 51 casos novos no último día, un número relativamente baixo tendo en conta que se realizaron uns 20 millóns de test, moitas das rutas de transporte atópanse fechadas nun intento por limitar os desprazamentos e evitar maiores contaxios. As autoridades esperan así eludir o destino de Shangai, que tivo que confinar a súa poboación durante máis dun mes para bloquear a propagación do virus. En total, segundo os operadores, Pequín fechou máis de 40 estacións, perto de 10% de todas elas, e fechou 158 liñas de autobús, a maioría delas no distrito de Chaoyang, onde se rexistraron máis contaxios. O coronavirus trastorna os plans do estudantado galego na China Ademais, os colexios atrasaron a volta ás aulas até o 11 de maio e, mentres, seguirán impartindo clases vía telemática, segundo informacións do diario South China Morning Post. Aqueles que desexen abandonar a capital deberán presentar un test e recibir un código por parte das autoridades sanitarias para poder así embarcar nun avión ou subir a un tren. Mentres, o resto de residentes terán que someterse a test en polo menos doce distritos da cidade. Moscova e Beijing afianzan a súa relación En Shangai, por outra parte, os casos seguen descendendo por decimoterceiro día consecutivo. No entanto, dos 353 casos rexistrados no último día na China continental, 260 foron notificados en Shangai, tal e como indicou a axencia de noticias Xinhua. O resto de casos foron rexistrados noutras once provincias, entre elas Pequín, Henan e Sichuán. Un total de 2.092 pacientes con coronavirus recibiron o alta na última xornada. Ademais, as autoridades sanitarias situaron en 16 as persoas falecidas por mor da pandemia desde a terza feira, todas elas na zona de Shangai. A pandemia afecta a economía chinesa As interrupcións causadas pola pandemia nas cadeas de subministracións, así como o impacto derivado do conflito entre Rusia e Ucraína, contribuíron a reducir a demanda de exportacións chinesas, o que podería provocar unha crise inflacionista na China que, ao tempo, podería ter impacto na economía global, alertan economistas chineses.
PRAZA_7374
Por primeira vez dende 2005 o Goberno galego non dedicará fondos a novas convocatorias de proxectos de cooperación exterior. A achega total supón apenas o 0,05% do orzamento, lonxe do 0,7 % comprometido para 2017 polos partidos que asinaron o Pacto Galego contra a Pobreza.
Por primeira vez dende 2005 o Goberno galego non dedicará fondos a novas convocatorias de proxectos de cooperación exterior. En total a Dirección Xeral de Cooperación Exterior e coa UE reducirá un 38 % os fondos previstos para 2013 en materia de cooperación ao desenvolvemento. Só se financiará unha convocatoria de acción humanitaria e de axuda de emerxencia dotada con 400.000 euros e o resto dos fondos orzamentados para 2013 cubrirán os pagos das segundas anualidades dos proxectos aprobados en 2012. En total o orzamento previsto será de 4.143.379 euros, un 0,05% do orzamento total consolidado previsto, unha porcentaxe que se sitúa moi lonxe do 0,7% comprometido para 2017 por todos os partidos que asinaron o Pacto Galego contra a Pobreza. A Coordinadora Galega de ONGD critica con dureza esta decisión e afirma que o PP "está a dinamitar o traballo que as organizacións da sociedade civil galega apoian dende hai máis de vinte anos nos países do Sur para que milleiros de persoas poidan vivir en condicións dignas". Ademais acusa os populares de mentir durante a pasada campaña electoral, na que se comprometeron a non só manter senón a aumentar o orzamento de cooperación. A Coordinadora lembra en concreto a intervención de Marta Rodríguez Arias, deputada do PP pola provincia de Pontevedra, que o 27 de setembro participou no debate sobre políticas sociais que tivo lugar en V Televisión e que foi organizado pola Coordinadora Galega de ONGD e a Rede Galega contra a Pobreza. A Coordinadora recomenda ver este vídeo do debate, concretamente nos minutos 28 e 52. As ONGD galegas afirman que nos vindeiros días decidirán cales serán as accións a levar a cabo "para denunciar este novo recorte que leva cara o desmantelamento da cooperación galega".
NOS_22150
A manifestación do Día da Patria podería estar encabezada por distintas personalidades sen adscrición partidaria e, a seguir, as distintas organizacións políticas, sociais e de todo tipo que partillen do 25 de xullo de unidade, segundo o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence.
Pode ser que, por vez primeira, ningún representante político encabece a manifestación do 25 de xullo. Segundo avanzan as conversas máis se perfila a fórmula coa que, de chegaren a acordos, as organizacións que se sumen ao Día da Patria unitario concorrerán á mobilización. Todo parece indicar que será unha cabeceira formada por persoas de distintos ámbitos mais sen adscrición partidaria as que compoñan a primeira fileira da marcha á que seguirán as distintas organizacións políticas e sociais. O voceiro do BNG, Xavier Vence, sinala que as negociacións "avanzan por bon camiño" e agoira a celebración dun Día da Patria unitario na que participarían todas as organizacións do ámbito do nacionalismo organizado e non organizado. Responde tamén, segundo dixo, a unha vontade dentro da cidadanía vinculada ao nacionalismo que "está a facer chamamentos a ese acto unitario". Demanda da cidadanía "Será a oportunidade para que compartamos todos e todas esa reivindicación, máis necesaria que nunca, dos dereitos nacionais de Galiza, e camiñar xuntos na defensa do que son os nosos sinais de identidade e das aspiracións que temos como país", sinalou Xavier Vence quen, de todas maneiras, optou por non dar moitos detalles de como será a xornada porque aínda quedan cousas por concretar. En todo caso, contará cunha "participación directa de todas as persoas, colectivos e cidadanía que está a demandar un 25 de xullo unitario". Vence salienta que as negociacións para un Día da Patria unitario "avanzan por bon camiño" Tamén a mensaxe final que previsibelmente se pronunciará na Quintana -como nas mobilizacións que até o pasado ano convocou o BNG e que concluían coa intervención do portavoz-, optarase, segundo dixo, por "unha mensaxe compartida", á marxe de que as distintas organizacións asistan de maneira singularizada na marcha conxunta. "Confiamos en que este Día da Patria sexa compartido por tod@s @s nacionalistas e por todas as organizacións nacionalista. Desde o BNG estamos traballando nesa dirección e poñendo o noso grao de area para que sexa o 25X de todos e de todas", apuntou Vence.