ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
PRAZA_19212
Xornais como Praza Pública favorecen a conformación dunha cidadanía dixital, sabedora dos seus dereitos e deberes, que agora empezan a non tolerar tampouco que os medios tradicionais continúen vertendo a súa mensaxe (cunha voz e unha dirección) onde a cidadanía se sinta desinformada ou excluída dos asuntos públicos.
Despois de catro décadas de neoliberalismo, os medios tradicionais do noso país seguen a estar dominados por oligarquías que presentan a información, non precisamente baseada en criterios de noticiabilidade, senón máis ben enfocada segundo os seus propios intereses corporativos. Fronte a esta estratexia editorial, xurdiron respostas que confrontan o modelo imperante. Unha delas é Praza Pública, que cumpre hoxe cinco anos. Se ben un lustro non é moito tempo, cando asumimos que vivimos nun país onde o 72% das persoas que len a prensa faino dende un diario que non reflicte a vontade das galegas e galegos nin as súas necesidades, este tempo si que acolle un importante significado. En 2008, Hallin e Mancini avisaban desta problemática da prensa, na que sinalaban que os medios, non só acosados polos imperativos do mercado, senón tamén por cuestións políticas, instrumentalizaban as traballadoras e traballadores, que eran usadas como ferramentas para intervir no mundo político, abandonando a súa neutralidade e relatando dende perspectivas e enfoques moi concretos: é dicir, operando como verdadeiros engrenaxes das empresas de comunicación. Mentres, nestes anos, por unha banda, a prensa tradicional tenta atraer ao seu terreo ao votante cun relato imposto; por outra banda, os diarios dixitais como Praza Pública gañan penetración mediante a emisión de opinión e información contrastada e de amplo alcance. Falamos dun xornalismo alternativo que ofrece novas ignoradas por outros medios e presenta unha construción da mensaxe informativa diferente, alternativa e máis interesante para a cidadanía, na que tamén pode participar no medio dende as tribunas de opinión. Neste senso, galegas e galegos atopan así un medio crítico que permite a creación de opinión dende un espectro ideolóxico atento á pluralidade e á diversidade, normalmente expulsados das plataformas mediáticas: permite cuestionar a información, achegar ideas ou visións novas ou restituír o pensamento político. Para Torres (2005), a política democrática ten moito que ver coa comunicación bidireccional (político-cidadán), a transparencia e a rendición de contas, factores que atopamos en medios dixitais como Praza Pública. O impacto de Internet nas nosas sociedades está intimamente vinculado coa capacidade de interacción e difusión que propicia a Rede, amplamente superior ao resto de medios. Aínda que, anteriormente, os encargados de crear a axenda e a opinión públicas eran os mass media tradicionais, estamos agora ante un panorama onde a selección dos feitos informativos, ou o seu encadre, atópase moi condicionada por quen acende un router. Nos últimos anos, as comunicacións transformáronse con acelerada velocidade, ampliando as capacidades de elección da cidadanía e facendo reformular serias reformas na industria dos medios de comunicación. Neuman, Bimber e Hindman (2011) xa analizaron na obra The Internet and four dimensions of citizenship, como a converxencia dixital afecta á sociedade desde catro dimensións: a deliberación e a esfera pública, a participación, o coñecemento da cidadanía e a mobilización. Internet permite que as mensaxes se dirixan a un maior número de persoas. Grazas á Rede, é posible seguir en directo a actualidade de calquera tema de interese: as persoas acceden a unha relevante información bruta que deben saber "cribar e buscar" (Bentivegna, 1999) segundo os seus criterios. Ademais, Internet facilita aos actores da información a posibilidade de establecer contacto directo coa cidadanía, producindo e difundindo contidos informativos sen "o filtro dos medios de comunicación convencionais" (Bentivegna, 2002). Resulta interesante comprobar como se está fraguando a esfera pública do século XXI coa aparición de Internet. Utilizando a Jürgen Habermas como referente, analízase se a Rede pode crear unha "situación ideal do discurso" (Habermas, 1981), pois Internet é o lugar crave para expresar os desexos e as necesidades da cidadanía. Aínda que a idea de "espazo público" se asenta en crear un lugar onde se poida opinar activa e libremente, parece que a Rede está feita para ser o máximo expoñente desta concepción. Por iso, debe recoñecerse ao mundo dixital a posibilidade de ofrecer máis oportunidades de participación entre as persoas para, por exemplo, realizar mobilizacións multitudinarias, como foi o famoso Movemento 15-M, ou as revolucións do mundo árabe, onde os medios dixitais e redes sociais tiveron e teñen un papel fundamental. Xornais como Praza Pública favorecen a conformación dunha cidadanía dixital, sabedora dos seus dereitos e deberes, que, do mesmo xeito en que as persoas consumidoras non aceptan "o abuso ante a venda fraudulenta de produtos na Rede" (Sánchez, 2004), agora empezan a non tolerar tampouco que os medios tradicionais continúen vertendo a súa mensaxe (cunha voz e unha dirección) onde a cidadanía se sinta desinformada ou excluída dos asuntos públicos. En medida en que a educación enriquece a nosa cultura democrática, a implicación nos movementos sociais aumenta. Nestes intres nos atopamos coa existencia dunha cidadanía máis reivindicativa e esixente, consciente do seu papel na sociedade. Isto débese, en gran medida, ao poder de difusión dos medios alternativos que se crean na redes. Por iso, non é desatinado admitir que nun futuro no que, superados obstáculos como a fenda dixital ou a desinformación, as persoas, con disposición a asumir a súa condición de cidadáns e cidadás críticos dixitais, fagan destes espazos un instrumento crave á hora de implicarse en movementos sociais, crear novas esferas de participación e, con iso, axudar a mellorar as nosas sociedades a través da acción política. Bibliografía Aguilar, S. (2009). El conflicto social en la era de la globalización. (Disponible en http://hdl.handle.net/2445/10942). Neuman, W. R., Bimber, B., & Hindman, M. (2011). The Internet and four dimensions of citizenship. The Oxford handbook of American public opinion and the media. Mazzoleni, Gianpietro (2010) La comunicación política. Madrid: Alianza. Capítulo 1º (págs. 17-50). Norris, P. (1999) Critical Citizens. Global Support for Democratic Governance. Nueva York: Oxford University Press. Norris, P. (2002). Political parties, Social Capital and Civic Society, Conclusions. En P. Norris, Democratic Phoenix. Reinventing Political Activism (pp. 103-231). Madrid: Taurus. Topf, R. (1995) Citizens and the State. Nueva York: Oxford University Press. Sánchez, Ó. (2004). El servicio postventa de la política. Lógica publicitaria, mercadotecnia política y repercusiones democráticas. Salamanca: Publicaciones Universidad Pontificia de Salamanca.
PRAZA_16698
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia organiza o sábado día 7 de abril un roteiro por puntos significativos da cidade na vida da actriz galega
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) lembrará no mes de abril a figura de María Casares con diferentes actos no marco do programa de actividades paralelas á gala dos premios de teatro que levan o nome da actriz galega celebrados xa a semana pasada. A programación incluirá un roteiro o vindeiro sábado día 7 de abril polas rúas da Coruña no que se afondará nas orixes familiares da actriz. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia organiza o sábado día 7 de abril un roteiro por puntos significativos da cidade na vida da actriz galega O roteiro organizado pola asociación conta coa colaboración e condución do historiador Emilio Grandío e da investigadora María Lopo. A actriz Mabel Rivera acompañará o percorrido coa lectura de fragmentos das memorias de María Casares Residente privilexiada. Fixado para ás 11.30 horas do 7 de abril, o traxecto iniciarase na Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panaderas, 12) e ten unha duración estimada de dúas horas. O itinerario percorrerá as rúas da Coruña e realizará paradas en puntos da xeografía coruñesa cunha especial significación para a familia de María Casares, tanto da rama do pai, Santiago Casares Quiroga, como da nai, Gloria Pérez Corrales. Para asistir ao roteiro, cuxa inscrición é gratuíta, cómpre inscribirse a través da web da asociación antes do venres día 6 de abril ás 14.00 horas. Por outra banda, a Casa Museo Casares Quiroga acollerá o 11 de abril ás 20.00 horas un coloquio sobre a figura de María Casares no que participarán María Lopo, investigadora e autora da biografía de María Casares O tempo das mareas; a actriz Sabela Hermida, investigadora autora dunha tese de doutoramento da relación da actriz co existencialismo francés, e Ernesto Is, dramaturgo autor de Despois das ondas, texto sobre a vida de María Casares que obtivo en 2017 o Premio Rafael Dieste organizado pola Deputación da Coruña.
PRAZA_2781
O 27 de febreiro de 2008 Touriño, Quintana e Feijóo debateron nun encontro que a canle pública publicitou como un gran acontecemento e que se celebrou entre acusacións de "censura" por parte do PP. A TVG programou o seu debate previo ao 20-D para este mércores pola tarde. Vídeo no interior
"Boas noites, señoras e señores. A Galega ofrécelles un debate histórico e singular. Histórico, porque é a primeira vez que coinciden os líderes das tres principais forzas políticas galegas; e singular, porque o fan nunhas eleccións xerais". O xornalista Alfonso Hermida comezaba deste xeito a presentación do debate que, o 27 de febreiro de 2008, mantiveron ante as cámaras da TVG quen daquela eran os principais referentes políticos do país: o presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG, o vicepresidente e portavoz nacional do BNG e mais o presidente do PP galego. Galicia non volveu vivir un debate como o previo a aqueles comicios do 9 de marzo e, no marco da presente campaña electoral, esta posibilidade nin sequera estivo sobre a mesa.Malia responder a un formato moi encorsetado, con quendas e tempos case milimetrados tras duras negociacións, aqueles 70 minutos de televisión foron presentados pola canle pública como todo un acontecemento. O debate celebrouse no claustro dun senlleiro hotel compostelán, construíuse un vistoso plató para a ocasión, organizáronse visitas previas para os medios de comunicación e a retransmisión contou cun despregamento técnico sen precedentes. A audiencia puido, por exemplo, observar como Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana e Alberto Núñez Feijóo eran recibidos ao recinto ou o aspecto da ateigada sala de prensa habilitada para a ocasión.O debate entre Touriño, Quintana e Feijóo foi presentado pola TVG como todo un acontecemento e amplamente publicitadoAs infraestruturas, o crecemento económico, a necesidade de fixar unha porcentaxe mínima de investimentos do Estado en Galicia ou as transferencias de competencias que aínda estaban pendentes centraron un debate que abriu Touriño e pechou Feijóo. Durante as negociacións o líder conservador reclamara protagonizar a quenda de peche, o máis "democrático", argumentaba, por ser el o representante da forza máis votada. Nos días previos, asemade, o actual presidente laiárase das "imposicións" socialistas, entre as que citaba o moderador, o reparto de asentos, o lugar elixido -aseguraba que se "asociaba ás sinatura do pacto de goberno" entre PSdeG e BNG- e mesmo a propia emisión na Televisión de Galicia.Feijóo esixiu pechar o debate e, meses despois, o PP seguiu denunciando "manipulación e censura", reprochando aspectos como o moderador ou a cor do platóO debate sobre o debate non rematou, nin de lonxe, aquel 27 de febreiro. Así, no mes de maio daquel ano, cando José Luis Rodríguez Zapatero xa fora investido por segunda vez, o PP levou o asunto á comisión parlamentaria de control da CRTVG para acusar a canle pública de "desbalde" por sufragar o debate con 180.000 euros. Como voceiro naquela comisión o actual delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo, cualificou a dirección da canle pública de "brazo mediático de Touriño" e acusou ao daquela director xeral, Benigno Sánchez, de impoñer "o sitio, a hora, o moderador e a cor do escenario". Segundo Calvo, nos medios públicos había "cada día máis manipulación e censura" e por iso reclamaba "a elección dun novo director xeral por maioría cualificada no Parlamento", trámite incluído na nova lei da CRTVG e que o propio PP vén de tombar mediante unha reforma incluída nos Orzamentos de 2016.O debate de 2015A canle pública celebra un debate entre PP, PSdeG, NÓS e En Marea ás seis e media da tarde deste 9 de decembroSete anos despois, o principal debate convocado pola TVG cara ao 20-D enmárcase no seu programa diario de actualidade, Área Pública, e emítese este mércores ás seis e media da tarde, horario criticado dende as formacións diferentes do PP por, ao seu xuízo, non promover que a poboación poida seguilo con facilidade. O encontro, no que participarán José Manuel Barreiro (PP), Pilar Cancela (PSdeG), Carme Adán (NÓS) e Antón Gómez-Reino (En Marea), apenas foi publicitado en días previos.O debate da TVG, que chega despois dos organizados por El País e o grupo Atresmedia entre PP, PSOE, Podemos e Ciudadanos, emítese na mesma xornada en que Televisión Española fai o propio co seu debate a nove bandas. No caso da canle estatal o horario tamén está a ser fonte de polémica, no seu caso porque ficou relegado ata practicamente a medianoite ata que, a última hora, a Xunta Electoral forzou o seu desprazamento ao prime time. Inicialmente ía ser emitido despois do programa que conduce o cantante Bertín Osborne, o mesmo no que a pasada semana foi entrevistado Mariano Rajoy e, unha semana antes, o líder e candidato socialista, Pedro Sánchez.
NOS_4456
Continúa a escalada de ingresos nos hospitais a consecuencia da Covid-19. Xa hai 16 casos máis que na quinta feira, dos cales 10 ingresaron en unidades convencionais e dez en críticos. Co ritmo actual de hospitalizacións, en vinte días as UCI estarían ao borde do colapso.
Son 593 as persoas coa Covid-19 hospitalizadas na Galiza, despois de se incrementaren en 16 máis. Delas, 85 permanecen en UCI -seis máis que na quinta feira- e 508 en plantas convencionais -10 máis-. Os pacientes hospitalizados soben en todas as áreas excepto na de Compostela e O Barbanza, onde descenden a 68 -cinco menos que na quinta feira- e dos que 13 se atopan en UCI -un máis-; e na de Pontevedra e O Salnés, que se mantén sen cambios con 78, dos que 4 están en UCI. Na de Ourense aumentan a 107 as persoas ingresadas coa Covid-19, delas 16 en UCI -un máis- e na da Coruña e Cee increméntanse a 145, 21 en UCI -2 máis- e 124 noutras unidades -sen cambios-. Na área de Vigo as persoas con Covid ingresadas soben á 89 -5 máis-, delas 17 en UCI -1 máis- e 72 noutras unidades -4 máis-. Na área de Lugo aumentan a 53 os pacientes con Covid ingresados, deles cinco en UCI -sen cambios- e 48 noutras unidades -5 máis-. E na área de Ferrol as persoas con Covid ingresadas soben a 53, delas nove en UCI -1 máis- e 44 noutras unidades de hospitalización. Que acontece se segue o ritmo actual? Co ritmo actual de hospitalizacións, en 20 días as UCI estarían ao borde do colapso. Nesta segunda vaga da pandemia e atendendo aos datos do conxunto da Galiza, o 0,8% dos casos están requirindo de coidados intensivos. Se se toma como referencia 700 casos novos diarios, en 20 días habería 14.000. Tendo en conta a porcentaxe do 0,8%, acabarían en UCI 120 persoas. Unha cantidade que comprometería a prestación do servizo en tanto que as hospitalizacións da UCI por Covid-19 non adoitan baixar dos 15 días de duración debido á complexidade dos casos. Folga en Compostela Na quinta feira, o persoal da UCI de persoal adultas do Complexo Hospitalario Universitario de Compostela (CHUS) anunciou que iniciará unha folga indefinida nas segunda feiras, de 8 horas das segundas a 8 horas das terzas, debido á falta de medidas preventivas e organizativas que comprometen a seguridade das e dos pacientes. O anuncio chega após numerosas mobilizacións das traballadoras e traballadores e perante á falta de resposta por parte da Xerencia da área, encabezada por Eloína Núñez, curmá do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. A máxima responsábel da área sanitaria espertara a indignación do persoal sanitario cando insinuara publicamente que as e os traballadores se contaxiaban nas salas do café.
PRAZA_575
Ao non haber ruptura democrática, déusenos un cambio de réxime, pero o franquismo perdurou e transmítese
De cando en cando aparece nas noticias algún apelido que me sobresalta e me leva momentaneamente a un pasado tétrico. De súpeto oio o apelido do coronel que, ao mando da guarnición de artillaría, ocupou a miña cidade o 20 de xullo de 1936 ou o de quen fora alcalde pola CEDA, logo conspirador golpista, logo novamente alcalde, logo xuíz do Tribunal Supremo. E é que, literalmente, gobérnannos a mesmas estirpes. Estirpe, esa palabra tan querida polos nosos gobernantes. Non se trata da estirpe xenética pero si familiar e ideolóxica, transmitíronse os froitos da vitoria. Houbo outra España en relevo, a dos golpistas, os asasinos e, tamén, os sobreviventes baixo o seu mando, quen se esforzaron en sobrevivir É natural, houbo familias desaparecidas por asasinato ou polo exilio pero as persoas daqueles apelidos nin morreron nin se exiliaron, pola contra reinaron. Naquel momento efectivamente houbo dúas Españas, unha en oco, a daquelas persoas que desapareceron dun modo ou doutro da face desta terra, eses foron os apelidos que desapareceron e que non aparecen nas noticias. Moitos deses apelidos seguen soterrados en gabias. E houbo outra España en relevo, a dos golpistas, os asasinos e, tamén, os sobreviventes baixo o seu mando, quen se esforzaron en sobrevivir. Ademais de sobrevivir podíase conservar a dignidade? Depende, ás veces. Franco foi, tras o ensaio de Primo de Rivera, finalmente o cirurxián de ferro que levaban invocando tanto os rexeneracionistas coma as clases máis reaccionarias e ese cirurxián extirpou sen anestesia pernas, brazos, ollos, pulmóns e entrañas. O seu colega Millán Astray foi a metáfora xesticulante daquela España que non foi nin vermella nin rota, só un refugallo torturado. Ninguén escolle os seus pais, non está nas nosas mans e polo tanto non é a nosa responsabilidade. Non hai culpa en ser fillo ou filla de ninguén pero, máis aló dos afectos, un certo sentido do deber condúcenos a comprender os actos dos nosos pais e, frecuentemente, a xustificalos aínda que sexan inxustificables. Tratar co pasado é complicado pero se hai vontade de verdade e de corrixir os erros sempre se atopa o modo. Con todo, tanto a reparación dos danos coma a corrección de erros do pasado non é posible en España porque na práctica estanos prohibido coñecer. Non probaremos a froita do coñecemento porque os amos deste paraíso condénannos á inocencia, unha inocencia perversa coma a de Peter Pan. Ao non haber ruptura democrática, déusenos un cambio de réxime, pero o franquismo perdurou e transmítese. Está nas estruturas profundas do Estado e na cultura política que forma a moitos dos seus funcionarios e está a empapar toda a vida pública. Xa non falo de que esteamos gobernados por un partido dirixido por persoas de corrupción probada e que creou unha rede de corrupción de ámbito estatal. Do que falo é de que nun país con cultura democrática, iso que chamamos con bastante optimismo un país normal, sería imposible que un partido que goberna escollese os seus candidatos electorais por designación do xefe político. O que acaba de ocorrer no PP madrileño. Só se pode explicar porque, efectivamente, o pasado dese partido é o franquismo e segue estando no seu presente. Só iso explica que tampouco iso cause escándalo social. Ao non haber ruptura democrática, déusenos un cambio de réxime, pero o franquismo perdurou e transmítese. Está nas estruturas profundas do Estado e na cultura política que forma a moitos dos seus funcionarios e está a empapar toda a vida pública É a presenza do franquismo entre nós o que permite que cando dicimos isto sempre apareza alguén para negar esa evidencia, é a presenza do franquismo o que permite a a oposición responsable actuar simulando ignoralo para poder seguir con lavados e trapicheos. E está en todos nós, nas nosas familias, nos nosos veciños, nunha bancada dun campo de fútbol que anima a un maltrador a seguir abusando da súa muller á que chaman "puta". Na Fábrica Nacional de Moeda e Timbre acaba de lanzar unha moeda conmemorativa, Setenta anos de paz. Cando Franco conmemorou os vinte e cinco anos da súa vitoria Fraga organizoulle uns portentosos fastos, o Estado segue contando os anos de paz. A aqueles chamáronos "anos de paz", séguenllo chamando. Sei que morrerei e esa presenza fantasmal seguirá viva e, sinto dicilo, tamén lles ocorrerá o mesmo a moitos de vostedes. Así é a vida por aquí É a presenza do franquismo o que impediu que a Lei de Memoria Histórica, coas súas limitacións, puidese cumprir a súa función reparadora. Dese franquismo actuante é de onde viñeron, primeiro, as críticas e os ataques a un goberno que "quería reabrir as vellas feridas fratricidas' e logo a asfixia da lei. E é a mesma presenza do franquismo o que perdura tamén en min cando o recoñezo en tantas cousas, ter que seguir levantando esa acta a estas alturas é a proba desa presenza actuante. Sei que morrerei e esa presenza fantasmal seguirá viva e, sinto dicilo, tamén lles ocorrerá o mesmo a moitos de vostedes. Así é a vida por aquí.
NOS_32975
De tu casa a la mía, a homenaxe musical que realizaron a Rosalía de Castro e Federico García Lorca a galega Uxía e o andaluz Javier Ruibal, preséntase este sábado en Compostela. Da admiración mutua entre ambos os artistas e o seu amor pola poesía naceu un traballo intimista en contacto directo coa tradición popular. Nós Diario conversa con ambos entre ensaio e ensaio sobre o proceso de creación e a mensaxe que queren transmitir ao público.
Cal foi a razón de coincidir na idea de homenaxear a Rosalía e Federico e como se concibiu este traballo? Javier Ruibal: Foi nun concerto en Compostela con Marcos Teira. O tempo levounos a confluír. Para un andaluz e unha galega vencellados á súa cultura cantar a Rosalía e a Federico era lóxico. Uxía: Pola nosa compenetración era importante concibir algo xuntos. O gusto pola poesía, polas fontes populares e a raíz da nosa música. E como se materializou co seu punto de complexidade? J.R.: As cancións sempre son un milagre. Cando contas cun gran poema queres que o milagre sexa dobre por ser grandes poemas. Ocorre así. Cando ves que un poema cantado semella que se fixo ao mesmo tempo é unha boa canción. Sempre agardamos que baixe dalgún lado iso que chamamos inspiración. Fíxose co obxectivo de que non fose cunha música en exceso contemporánea nin tradicional, buscar a atemporalidade. En todo caso, non renunciamos á nosa sonoridade, non hai electrificación e todo é acústico. As cancións sempre son un milagre U.: Hai algo importante que é moita emoción no que fixemos. Rosalía e Lorca están moi presentes, sentímolos moi perto. Emocionámonos no proceso de gravación e agora tamén. Foi indispensábel a colaboración dos músicos Sergio Tannus, Marcos Teira e Javier Ibáñez. Fixo que fora un disco moi especial. Non é a primeira vez que se musican poemas de Rosalía e Federico. Que teñen para que sexa tan atractiva a súa obra para a música? J.R: Rosalía e Federico estaban pendentes da contorna, non eran poetas de salón, nin se sentían a si mesmos grandes figuras. Sentían vocación de pobo. Querían ser pobo. Todo o que reivindican está no máis esencial. Ese impulso coincide co noso. Tamén tivemos en conta non semellarnos a ningún dos músicos que se achegaron a estes poemas. É moi tentador e moi perigoso facer algo que xa está feito. Procuramos facer algo o máis persoal posíbel e co máximo respecto á obra de ambos os poetas. U.: É certo que Rosalía e Lorca tiñan vínculos coa música tamén. Rosalía tocaba a arpa e o piano e Lorca tamén. Hai unha musicalidade intrínseca nos seus poemas. Creo que son os poetas queridos e universais máis representativos das nosas culturas. Rosalía e Lorca están moi presentes, sentímolos moi perto Coñécese a obra en galego de García Lorca fóra da Galiza? J.R.: En Andalucía, realmente, non son moi coñecidos. Case sempre hai tanto que falar de García Lorca que non se para en algo tan específico. Sábese. Quen coñece a Lorca e o aprecia sábeo. Pode que se sorprenda unha parte do meu público non só polos poemas senón tamén por escoitarme cantar en galego. Unha das funcións que ten o disco é tender pontes. Na peza Cantares de amor, por exemplo, quedou como unha rumba tenra e sincera. Todo fluíu dunha maneira sincera e sen prexuízos. O traballo final ten moito de instinto e emoción. Con todo o que está acontecendo de reaccionario de atacar o diferente, a xenofobia e a antipatía que axexa convén sacar símbolos que tezan complicidades entre o norte e o sur. U.: En tempos tan belicistas, poetas como Rosalía de Castro e García Lorca tenden pontes. Para nós este disco é moi simbólico. Como serán as actuacións en directo? U.: Reproduciremos o disco cunha escenografía que é o propio obxecto do traballo deseñado por Pablo Giráldez. Estaremos cos músicos que gravaron o disco aínda que sen Javier Ruibal e con Quiné, músico de Portugal, que nos acompaña moitas veces. Será a festa do encontro da poesía, da vida e da irmandade entre norte e sur.
PRAZA_18219
Mentres xente como "Billy el niño" ande pola vida impasible o ademán lucindo as súas catro medallas gañadas por méritos propios, nos que destacan as torturas que fixo na ditadura, e non pase nada, España seguirá bostezando como dicía Machado
O problema de "Billy el niño", recoñecido torturador franquista, para min non é tanto que alguén o invitase ao festexo celebrado na comisaria de policía do distrito da Ciudad Lineal de Madrid en honor do seu patrón, pois un pode pensar que algún fascista nostálxico das barbaridades desta besta aínda podería quedar, se non que o que sobre todo me alucina é que o personaxe acudise tan tranquilo e departise co cento de invitados -onde supoño habería numerosos polícías, ademais de empresarios, cargos importantes, cidadáns de pro, posiblemente algúen da igrexa- conversa, petiscos e viño, nun acto distendido, entretido e amigable sen a máis mínima vergoña, como un "cidadán libre" como o definiu, sen ruborizarse tamén, a portavoz do goberno español Isabel Celaa. Mentres xente como "Billy el niño" ande pola vida impasible o ademán lucindo as súas catro medallas gañadas por méritos propios, nos que destacan as torturas que fixo na ditadura, e non pase nada, España seguirá bostezando como dicía Machado Suponse que en calquera sociedade normalizada que sufrise os horrores dunha ditadura e fose consciente deles, do sufrimento que padeceron tantos diante a inmunidade dunhas forzas que os aterrorizaron con mortes, càrceres, e torturas, non se concebiría que os causantes e participantes nesa barbarie aínda vivos tivesen a desvergoña de saír á rúa e asistisen a un evento social para máis inri organizado oficialmente, porque nunha sociedade decente os mesmos invitados coa a súa actitude ante tal presencia converteríanse nuns acusadores implacables difíciles de soportar e mesmo botaríano de inmediato. Porén neste caso non pasou nada, todos e todas aceptaron benfeitora e alegremente nesta festividade a este home minguante. Esa é a cuestión, ao parecer estaba como na súa casa. Este feito demóstranos que non estamos nunha sociedade normalizada, é dicir decente. Os piares dunha sociedade decente son fundamentalmente a xustiza, a honradez e a dignidade. E aquí ocorre que unha parte da nosa sociedade non se entera de nada, outra parte non lle importa nada do que se entera, outra parte entérase por uns medios leidos ou escoitados ao dereito cando hai que facelo ao revés, outra parte xa está de acordo coa indecencia, e a pouca parte normalizada que queda clama o deserto. Mentres xente como "Billy el niño" ande pola vida impasible o ademán lucindo as súas catro medallas gañadas por méritos propios, nos que destacan as torturas que fixo na ditadura, e non pase nada, España seguirá bostezando como dicía Machado. Publicidade
NOS_49716
O Servizo Galego de Saúde administrará unhas 27.000 doses de Pfizer a persoas maiores de 80 e do colectivo de entre 75 e 79 anos e 25.000 doses da vacina de AstraZeneca a maiores de 60, até os 65 anos.
Segundo informou a Consellaría de Sanidade tras a reunión do subcomité clínico desta pasada sexta feira, a Xunta administrou na xornada anterior, 8 de abril, un total de 33.229 doses de vacinas contra a Covid: 31.882 persoas con Pfizer e 1.347 coa Astrazeneca. Dúas de cada dez persoas chamadas a inocularse con AstraZeneca rexeitaron a vacina No caso da británica, 1.264 foron administradas en grandes recintos -Ferrol e Cee e noutros 83 puntos de vacinación-. No caso das áreas de Ferrol e da Coruña e Cee, as porcentaxes de adherencia alcanzaron o 81,6% e o 80,4%, respectivamente, de forma que a porcentaxe global foi do 77,43%. Isto significa que dúas de cada dez persoas chamadas a inocularse con AstraZeneca rexeitaron a vacina. O último balance facilitado polo Ministerio de Sanidade recolle que das 786.365 vacinas recibidas, Galiza administrou 657.774, 83,6% do total, aínda por baixo da media estatal, que se sitúa en 85,3%. Porén, a campaña de vacinación continúa, de acordo coa estratexia acordada esta semana polas comunidades autónomas e o Ministerio, e que contempla a vacinación das persoas entre 66 e 69 anos coa solución de Oxford e AstraZeneca. Vacinación masiva Segundo datos do informe de vacinación do Ministerio de Sanidade Galiza conta con 346.927 persoas a vacinar entre 60 e 69 anos. Mais de momento, Galiza limita o chamamento aos menores de 65 anos. Esta fin de semana o Sergas convocou 25.000 persoas das sete áreas sanitarias, ademais doutras 27.000 maiores de 80 anos e de entre 75 e 79 anos, que serán inmunizadas co preparado de Pfizer. A día de hoxe, en Galiza hai 472.331 persoas que recibiron polo menos unha dose da vacina, mentres 185.443 contan coa pauta completa. Entre a poboación maior de 80 anos, 214.248xa recibiron unha dose, 91,4% das 234.302 que se encontran nesta franxa de idade, na media do Estado. Os maiores de 80 anos coa pauta completa son 101.251, 43,2% do total, sete puntos por baixo da media estatal que se sitúa en 50,7%.
QUEPASA_694
"A situación que se vivia entre os mariñeiros era que se acabou". Así era a visión dos mariñeiros ao ver o Prestige, que se contarán nas Asembleas da Memoria que acollerá o Museo Man de Camelle.
Estes días, a comisaria María Bella atópase preparando no Museo de Man de Camelle a exposición do proxecto 'Un Nunca Máis contado polas fillas de Manfred'. Unha exposición que se inaugurará este venres 26 de xullo ás 21:00h no museo camariñán, e que estará aberta ata 29 de setembro. Pero hoxe queremos centrarnos na outra pata do proxecto: as asembleas da memoria. Esas citas que nos servirán para compartir lembrazas para aqueles meses de cores negras, pero tamén brancas, tamén multicolores. O propio venres 26, ás 18:00h (a segunda cita será o venres 23 de agosto ás 18 horas), o Museo Man convertirase nun ágora do Prestige, nun espazo para que os protagonistas daqueles tempos conten a súa visión, conten "O seu Prestige". Membros da confrarías, representantes políticos, coordinadores de espazos de convivencia, veciños… Todos poderán compartir a súa experiencia vital arredor deste dramátrico suceso. Algúns dos que previsiblemente estarán nas asembleas e que teñen compartido con Bella como viviu aqueles días, explicannos como foi o comezo de todo. "Ás 11:30, estando en Santiago, escoito na radio o tema dos problemas do barco á altura de Muxía. Chamei á unha Parlamentaria do PSOE, encargada de temas de pesca, porque eu xa estaba sensibilizado co Mar Egeo e o Urquiola… Cando chego a Santa Mariña atopei un cadro de dolor, porque estabamos cerca das navidades e todos os do porto tiñan o mariño gardado en viveiros, e lle morrera todo. Estaba no bar de Armildo, baixamos ata o porto e o olor era inequívoco de que algo moi potente estaba no mar, ou sexa, o derrame, porque non se vía nin barco nin nada, pero o olor era impresionante. E as irisacións tampouco se vían moi ben, porque para ver a irisación fai falta unha refracción da luz e ese era un día gris… pero o olor era inconfundible… Morrera o marisco de todos os viveiros e aínda que non se vía o chapapote sobre o mar, estaba xa afectado, afectadísimo. Temos a contaminación enriba, pensei". "Nese momento comézase a organizar un momento dende o sector, dende sector produtivo, principalmente dende os mexilloeiros de Arousa, que ata pensan en afundir as bateas para que pase o chapapote por encima. Pero é que non tiñamos información, non sabíamos o que pasaba porque pasa todo por mans de administrativos ou de burócratas ou de políticos e nos van dar a información que eles consideran máis oportuna e nós necesitabamos unha transparencia que non había, porque se estaba negando que houbera marea negra". "A Carnota chegou o chapapote o mesmo día que fun a Santiago, á manifesta da dignidade o 1 de decembro. Coinidira coa chegada de Mariano Rajoy a falar cas confrarías para calmar os ánimos, a dicir que non se preocuparan, que ía haber pasta e que non ía haber ningún problema para que os mariñeiros puideran cobrar puntualmente mentres non houbera actividade. Foi unha auténtica contraprogramación da Xunta para desmobilizar ao sector pesqueiro, para que non fora a manifestación. Acórdame o primeiro día cando vin o mar que estaba completamente… era como... esa zona do mar era toda unha masa que chegaba ao fondo, tirabas unha pedra e non se afundía. Esto non se quita aquí na vida, pensabamos. A situación que se vivia entre os mariñeiros era que se acabou. Acuérdome da situación era casi depresiva. A xente facíase as suas cábalas. Teño 50 e pico tacos, agora que carallo imos facer se timos este mar asi como o temos. É imposible de recuperar porque por moito que queramos non hai maneira... e de aquela non había ningún tipo de material... Ao principio a única maneira de limpar era coas mans como quen intenta vaciar o mar coa cuncha dun mexillón. A xente vio que era o fin, de entrada o fin, e logo co paso do tempo, organizouse poco a poco. E dende Muxía comezaron a mobilizar o tema polas universidades. Haí cambiou todo de cor..
NOS_50636
Avogan por dar o curso por liquidado e estudar "unha solución administrativa" específica para cada etapa educativa.
"Unha educación a dúas velocidades, con todas as letras". Así resume o presidente da Confederación Galega de Anpas de Centros Públicos (Confapa), Rogelio Carballo, a docencia no actual contexto de crise sanitaria, un panorama ante o cal nais e pais asumen que o curso "finalizou o día 12 de marzo". As aulas galegas pecharon definitivamente o 16 do mes pasado, e desde entón os estudantes de todos os niveis reciben a educación desde casa. De acordo con datos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a 4 de abril -último día lectivo antes de Semana Santa-, recursos como a aplicación 'abalarMóbil' ou as aulas virtuais triplican o número de visitas diarias con respecto ás circunstancias normais. Con todo, unha enquisa de Confapa cuns 6.200 participantes advertía de que case un terzo das familias galegas con fillos escolarizados carece de acceso a redes apropiadas para poder continuar o curso de forma telemática. "Pero seguramente esta porcentaxe sexa moito maior, porque a enquisa era dixital. Se non tes Internet, non podes facela", matiza o presidente de Confapa, Rogelio Carballo. Ademais, "sete de cada dez" nenos e nenas de Primaria "non teñen computador propio", polo que teñen que compartilo cos pais co hándicap de que algúns empregarán os equipos para teletraballar. Outro dos asuntos que "máis preocupa" é "a desigualdade de oportunidades" dos alumnos que non poden acceder a estes recursos e "quedan atrás". "E o Consello Escolar do Estado expón exactamente iso: aos que poidan dar clase, imos dar contidos e a avaliar e, aos que non, non se lles pode prexudicar e non se lles dá novos temas", lamenta. Así mesmo, Carballo constata a "disparidade de medios" empregados polo profesorado para enviar material e contido. Con todo, maioritariamente optan polo correo electrónico, aínda que os menores de 14 anos "non teñen capacidade legal" para ter a súa propia conta; ou polo taboleiro dixital do centro. "Os que empregan ferramentas bidireccionais -videochamadas ou blogues- son unha minoría", engade. Pola súa banda, o presidente da Confederación ANPAS Galegas, Fernando Lacaci, acouta o termo "teledocencia" unicamente para aquelas alumnas e profesoras que superan "barreiras" tales como a conectividade, o acceso a medios tecnolóxicos ou calquera outra dificultade. "E nin sequera o primeiro paso, a conectividade, está conseguida", asevera. Por iso, ocorre que "quen está dando a clase non sabe como dala, e quen a está recibindo non sabe como recibila ou non pode". "O que temos agora moi maioritariamente parécese máis aos cinco últimos minutos de clase, nos que se mandan deberes, e aos cinco primeiros, nos que se repasa o do día anterior", di, polo que cre que "iso non é aprender", senón "un reforzo ou un recordo". Fernando Lacaci, pola súa banda, sostén que continuar é "deixar fóra" a entre 10% e 30% -estima- das crianzas. Por iso, "finxir que isto se soluciona con teledocencia é un exercicio enorme de desigualdade e de discriminación", polo que avoga por dar o curso por liquidado e estudar "unha solución administrativa" específica para cada etapa educativa.
PRAZA_10156
Nin se lle pasou pola cabeza aos nosos Villares ou Pontón replantexar pactos de goberno a nivel municipal e provincial co PSdeG-PSOE tras o apoio deste partido a aplicar o Art. 155
Non é novidade ningunha, mais hoxe pódese comprobar nuns cantos autos xudiciais máis unha realidade incómoda para quen non queira pechar os ollos ante ela: no Estado español pode unha rematar en prisión de maneira arbitraria se convén políticamente. Oriol Junqueras, vicepresidente da Generalitat, e outros 7 consellers do goberno catalán foron sometidos a prisión incondicional e sen fianza acusados de delitos de "sedición, rebelión e malversación de caudais públicos" trala celebración do referendo de independencia catalá do 1-O do 2017. O presidente Carles Puigdemont e outros 5 consellers víronse obrigados ao exilio para evitar correr a mesma sorte. Un par de semanas antes, no cárcere madrileño de Soto del Real, Jordi Cuixart e Jordi Sànchez entraban, tamén sen xuízo previo e fianza, en cadansúa celda de dez metros cadrados acusados dun delito de sedición ao presidiren organizacións (Òmnium Cultural e ANC respectivamente) convocantes de concentracións pacíficas en defensa da independencia de Cataluña os días 20 e 21 de setembro do 2017. A xuíza da Audiencia Nacional que ordea todos estes encarceramentos, Carmen Lamela, era condecorada só uns días antes polo entón ministro de Interior, Juan Ignacio Zoido, coa medalla ao mérito policial. Un ano antes, condecorada de novo pola Guardia Civil tras encausar a uns rapaces de Altsasu cun delito de "terrorismo" por unha rifa nun bar que provocou fóra de servizo un axente borracho. Pablo Llarena, o xuíz do Tribunal Supremo encargado da instrucción da causa do "procés", é afiliado da conservadora Asociación Profesional de la Magistratura, próxima ao Opus Dei, da que foi voceiro e presidente entre 2013 e 2015. O tabú da "xustiza politizada" non foi tampouco impedimento para que participara activamente en cursos e seminarios organizados por FAES, o think tank do Partido Popular. Dúas xoias da Democracia española. Disto algo sabemos en Galiza, onde durante anos lévase reprimindo nunha escalada cada vez maior ao movemento independentista por todos os medios posibles. Mozas e mozos galegos sofren hoxe penas de prisión polas ideas que defenden, ás que cómpre lembrarmos a política de dispersión ao longo do entramado penitenciario do Estado dirixida hacia as súas familiares e achegadas. Exemplo mediático disto foi a infame Operación Jaro da Guardia Civil, na que se condenaría nun xuízo farsa a varios supostos membros de Resistencia Galega e ilegalizar de paso a organización Causa Galiza, baixo o paraugas dun suposto "terrorismo" do que non se puido aportar proba algunha perante o xuíz. É a mesma fórmula do "todo é ETA" que ben coñecen por Euskadi, onde décadas de democracia deixan tras de si centos de represariadas políticas, decenas de ilegalizacións de organizacións de todo tipo (non só políticas, senón tamén xuvenís, veciñais, culturais...) e unha guerra sucia de torturas policiais e asasinatos á poboación civil á marxe de calquer proceso xudicial. Debemos engadirlle a todo isto a represión no resto do territorio do Estado español ao movemento sindical combativo, ao movemento comunista ou ao anarquismo, que engrosan as cifras de presas políticas dunha poboación reclusa que non deixa de medrar. Non son estes datos que se publiciten a diario na televisión ou nos xornais porque non convén, non "cohesiona"; mais están de novo á dispoñibilidade de quen quixer comprobalo a só un par de clics no seu buscador de preferencia. Mención obrigada aquí, é a da especial invisibilidade do maior colectivo de presas políticas do Estado español: a poboación inmigrante cuxo único "delito" é o de non dispór de documentación legal para residir nun país do chamado "primeiro mundo". O cinismo aquí chega a tal punto que non se fala xa de "cárcere" pola carga simbólica que ten, senón de CIEs, nos que os abusos de carcereiros e policías teñen ainda máis impunidade. Malleiras, violacións e vexacións varias, son norma documentada e non excepcións, mais de novo ningún destes sucesos anónimos vai ser noticia mañá. Temos naturalizada a tal punto a represión do Estado, que non é motivo de escándalo público ningún o claro sesgo ideolóxico desta: a Lei de Partidos ten no seu rexistro de logros a ilegalización de múltiples partidos abertzales vascos ou comunistas, mais curiosamente, ningunha de organizacións de extrema dereita que falan abertamente de xenocidio. A caza de bruxas en Twitter contra quen celebraba o axustizamento do presidente do goberno franquista, Carrero Blanco, contrasta dende logo coa total impunidade de perfís que chaman a diario a asasinar independentistas cataláns. A Lei Antiterrorista impide hoxe a homenaxe nas rúas de Donostia de militantes históricos da extinta ETA, mais Hogar Social Madrid pode dar tranquilo mítins racistas e xenófobos nun barrio de poboación inmigrante coa protección da Policía Nacional. Por suposto, a esquerda política condena de entrada calquera destes casos. Dende a súa á máis "radical" á máis "moderada" (en certas ocasións, mesmo o PSOE), sacarase un comunicado expresando a solidariedade co sindicalista ao que o fiscal lle pide 15 anos de prisión tras unha folga xeral, falando de "represión escandalosa" e descargando a culpa no adversario político (léase o PP) para pedir a dimisión do cargo público de turno. A condición, claro, é que saltara antes á palestra mediática o proceso xudicial e, para boa parte desta esquerda domesticada, que o acusado non sexa independentista ou un radical situado "demasiado" á esquerda. Solidariedade, abofé, selectiva e á zaga do sensacionalismo xornalístico coa data de caducidade que marque este. O mellor contrapeso ao discurso da dereita chamando decidida a "manter a Orde e a Lei por todos os medios", coa única dúbida de escoller entre a abundante "oferta" de procesadas. Baixo toda esta arbitrariedade de tacticismos políticos varios no tocante á "solidariedade" da esquerda (máis ou menos explícitos segundo a proximidade ás institucións gubernamentais da organización "solidaria"), atopamos un substracto común que, dicícilmente admitirá, comparte de cheo coa dereita: o marco da Democracia con todo o seu campo semántico (Estado de Dereito, respecto á Lei e aos Dereitos Humanos, etc.). Non se trata, como puidérase pensar de primeiras, dunha falta de altura xeralizada da esquerda reformista ante a represión violenta máis evidente das masas. É máis ben complementariedade discursiva, complicidade ideolóxica máis ou menos consciente. Non hai aquí logo, traizón ningunha á clase obreira. Son as clases dominantes totalizando o espazo político que crea á súa medida. As regras do xogo e as cores de ficha permitidas, por inaceptables que poidan parecer, son as que son porque, ao final, son as dos que "gañaron a partida" no 39. Un taboleiro chamado DemocraciaSànchez e Cuixart uníanse, como decíamos, a longa lista de presas políticas no democrático Estado español. Dúas entradas máis tras Xirinacs, Casellas, Bódalo ou Iparraguirre, que ben podían recopilarse como anexo da Constitución do 78. Na mesma lista interminable, figuran nas primeiras liñas da páxina seguinte: "Junqueras, Forcadell, Turull, Rull, Romeva, Bassa e Forn". Erraba logo quen falaba aqueles días dos primeiros presos políticas trala Transición, abofé, mais erra moito máis aquí unha maioría aplastante da chamada esquerda, que ve nestes encarceramentos algo impropio dunha democracia, dun país "civilizado". O debate social sucedeuse nas redes sociais e bares sobre se "Os Jordis" e medio goberno catalán eran ou non presos políticos pola incómoda connotación da categoría, que asociamos de entrada a lonxanos réximes no tempo ou na distancia respecto da nosa moderna sociedade capitalista parlamentaria. Dábanos igual o fondo da cuestión. Por pouco razoable que semelle negro sobre branco, curiosamente non se produciu tanto unha reflexión social sobre como se impoñen unhas ideas a outras (unionismo contra independentismo) e os distintos métodos empregados para este fin, e si en troques disertacións abstractas sobre Democracia e se se axustaba mellor ou peor a este ideal os encarceramentos, a intervención da Generalitat, ou o resto de medidas postas en marcha polo daquelas goberno de Mariano Rajoy so pretexto do Artigo 155. Este debate deuse por suposto tamén na realidade galega, mais pouco menos que para repetir os argumentos e conclusións que unha puidera escoitar en Madrid: "A represión xudicial pode resultar sensata (para a dereita) ou excesiva (para a esquerda), pero o importante é que se mantén na legalidade". Consciente, iso si, da relativa lonxanía coa que a sociedade civil galega ven observando o que acontece en Cataluña, dende o goberno galego non houbo prácticamente pronunciamento específico ningún ante a "normalidade democrática" dunha actuación xudicial equiparable (debéranos parecer) á que a cotío prodúcese ante unha infracción de tráfico. Por suposto, sucedéronse oportunamente declaracións do propio Feijóo falando da "grave situación que se vive en Cataluña por culpa dos independentistas" cando se requiría dende Génova a provincias, ou para evitar centrar a opinión pública galega noutros temas (como acontecera coa vaga de incendios que asolaran os nosos montes nese ano). Mais a peculiaridade da sucursal galega dos populares, o seu feito diferencial, estriba na pouca énfase na "necesidade de medidas máis contundentes" ante o "desafío soberanista catalán" que si vimos no discurso deste partido noutros territorios do Estado, cuxos líderes botaron meses apremiando a unha aplicación "sen medias tintas" do Artigo 155 ao Goberno central. Algo que dende logo non é casual. O polo entón peche de filas da familia galega do PP en torno a Mariano Rajoy explícase, por suposto, tamén por cuestións internas do propio partido sobre fidelidades e rivalidades políticas, mais sobretodo polo feito de ter este que operar nunha realidade sociolóxica diferente á doutras partes do Estado: non houbo nas rúas galegas un movemento social de "exaltación patriótica españolista" que puidera convocar masivas manifestacións ou encher (polo xeral) grandes avenidas coa "rojigualda" pendurada nos balcóns. Non existe hoxe un movemento fascista que poida pasearse tranquilo polo casco vello de Compostela "cazando" independentistas, nin houbo nas nosas vilas "emotivas despedidas populares" á Guardia Civil e Policía Nacional que se trasladaran a Cataluña ante o referendo do 1-O. Partidos políticos coma Ciudadanos, cun discurso máis "efusivo" na necesidade de manter a integridade territorial do Estado, están situados aquí na marxinalidade sociolóxica (que dicir de Vox?); e sobretodo, non existe un movemento independentista galego con forza que requira dun discurso diferente ao do "centrista" Partido Popular de Galicia. Non quita nada disto que haia, abofé, un nacionalismo españolista no pobo galego bastante maior que o propio. Abonde observar as acometidas contra a nosa língua que durante décadas se levan aplicando dende a Xunta por gobernos de amplia maioría parlamentaria, ou o precario estado actual da nosa cultura para dar boa conta de tal afirmación. Do que se trata, é de sinalarmos que hai efectivamente unha constelación ideolóxica diferenciada respecto da de boa parte do Estado mesmo se se comparte un mesmo propósito (o unionismo, no que nos ocupa), e que tal especifidade relativa responde a un suxeito diferenciado marcadamente nacional por inaceptable que isto sexa de admitir para o españolismo máis curto de miras. É así que teñen cabida na Galiza fenómenos de difícil comprensión foránea como o "galeguismo fraguista" ou a rede caciquil da dereita galega. Do mesmo xeito, a importancia desta consideración vólvese capital á hora de atravesarmos a apariencia dos retorcidos relatos da esquerda galega, pragados de termos como "autodeterminación" ou "soberanía nacional" ao tempo que apuntala cando ten oportunidade cos seus votos o Réxime do 78 (e a súa indivisibilidade territorial) ao que afirma quererlle pór fin. Nin se lle pasou pola cabeza aos nosos Villares ou Pontón replantexar pactos de goberno a nivel municipal e provincial co PSdeG-PSOE tras o apoio deste partido a aplicar o Art. 155 e calquer medida represiva ao pobo catalán ante a declaración de independencia do 27 de Outubro do 2017. Despois de todo, sempre poden xustificarse no "mal menor" ou na "responsabilidade municipalista" (cando non nun miserable e insolidario: "non é asunto das galegas"). O proceder de En Marea (incluimos Podemos, EU e Anova) e o BNG, non se afasta apenas en realidade aquí do proceder do PSOE en Cataluña: o encarceramento de Cuixart e Sànchez, de Junqueras e resto do Goberno catalán que se atopaba en territorio estatal, as ameazas dende a Fiscalía Xeral de ilegalizar partidos independentistas ou as cargas policiais do 1-O do 2017, etc. poden resultar "excesivas", "desproporcionadas" ou "unha inxustiza" nunha breve declaración á prensa se pregunta polo tema, ou nun chío puntual en Twitter mentras se manteña como tendencia do día. Mais soamento iso. O propio Iceta (PSC) e outros sectores da esquerda do PSOE, empregaran estes mesmos ou semellantes calificativos en campaña. O uso electoralista desta indignación da esquerda institucional, chegou mesmo a apuntar á incongruencia xudicial comparando o caso coas medidas tomadas coa trama Gürtel, a corruptela da Familia Real ou os políticos incausados polas tarxetas black de Bankia. Todo valía dentro da moderación que non rebasa nunca os límites do legalmente tolerable ("Que sentido ten rematarmos cunha deputada enxuizada por uns míseros 'retuits' da ultraesquerda dixital?"). Cando o teu "núcleo irradiador" de referencia son os medios de comunicación das grandes fortunas, é normal que non lle deas maior relevancia a unha noticia que, podes estar seguro, ía durar apenas un par de semanas no foco mediático. E, ao fin e ao cabo, non falamos de decisións "xudiciais" fóra do ámbito "político"? A diferencia entre estes partidos é, pois, retórica. Discursiva, non de fondo. No taboleiro Democracia, dereita e esquerda legais disciplinan a masa nun incuestionable respecto á Lei/Dereito/Orde que situan "por riba" de discusións parlamentarias e da sociedade mesma.Mesmo se o peso da realidade evidencia a diario que hai unha xustiza diferente para ideoloxías, estatus sociais e clases diferentes, os apóstolos da idea de que "É igual para todas" seguirán facendo por manter esta mitoloxía ben pola vía da coerción (represión policial, Art. 155), ben pola vía da convención ("creba democrática", "proceso constituínte"). O papel da esquerda reformista ante os "excesos" da dereita é de feito fundamental para entender estes: cando a xustiza ou calquer outra institución amósase no seu esquelete violento nada imparcial, cómpre evitar unha resposta igual de violenta chamando a manter ou recobrar a fe nestas mesmas institucións sen desbordalas. O verdadeiro terror aquí non é tanto á progresiva evolución ao estado corporativista fascista, ou reparar de golpe na continuidade do franquismo trala farsa do 78. É, no fondo, o medo ao abismo alén da política do pacto e a paz social.
NOS_44256
O programa experimental de recollida de lixo "porta a porta" polas casas comezará a probarse a partir de decembro. Por volta de medio cento de domicilios participarán no estudo.
San Sadurniño é un pequeno concello da comarca de Ferrol, con pouco máis de tres mil habitantes, e que acaba de dar un paso de xigante en canto a modelo ambientalmente sostíbel e alternativo. San Sadurniño é o primeirto do país en poñer en marcha un programa de recollida de lixo 'porta a porta'. Comezará en decembro e como programa experimental na parroquia de Ferreira e lugares adxacentes. Esta quinta feira hai unha xuntanza informativa no local social da Seara a partir das cinco da tarde. A iniciativa servirá para comprobar a viabilidade dun sistema alternativo de recollida e compostaxe dos residuos domésticos co que se agardan reducir custos económicos e ambientais, ademais de facerlle máis cómoda á veciñanza a xestión do lixo. Procúrase reducir a cantidade total de lixo xestionado e gastar menos no sistema de recollida, transporte e tratamento dos residuos Medio cento de domicilios participarán no estudo que vai decorrer neste concello con goberno do BNG. Proporcionaráselles un colector para o lixo inorgánico e, se o precisan, tamén un composteiro para o orgánico. A novidade do sistema é que o servizo de recollida retirará unicamente os restos do colector xenérico e os plásticos, latas, bricks, etc. mentres que os veciños auto-xestionarán o lixo orgánico (restos de comida, varreduras, podas...) ben como mantenza dos animais ou para producir esterco, "igual que se fixo toda a vida nas zonas rurais", explican desde Adega. Reducir lixo xerado e gastar menos Búscase así reducir a cantidade total de lixo xestionado e gastar menos no sistema de recollida, transporte e tratamento dos residuos, xa que a materia orgánica supón o 50 por cento da tonelaxe total que se envía a SOGAMA. Coa recollida "porta por porta" combinada coa compostaxe caseira estímase que se podería reducir á metade unha factura que nestes momentos é de 80 euros por tonelada. A iniciativa complétase cunha campaña informativa -tamén casa a casa- que desenvolverá Adega, "para explicar como empregar o composteiro e os usos do compost xerado. Nesta campaña realizaranse 3 visitas a cada domicilio para avaliar a evolución do plan e logo dun ano contarase xa con datos sobre o rendemento ambiental, social e económico para estendelo a outros lugares do municipio". A Asociación Ecolóxica para a Defensa de Galiza parabeniza ao Concello e á veciñanza de San Sadurniño por seren os primeiros do país en desenvolver un programa "porta a porta" de recollida, por riba nunha área rural e combinado coa compostaxe caseira.
NOS_22726
"Ceibar a Voz" é o título do concerto que se desenvolverá o vindeiro sábado 5 de xullo na praza de Santamaría do Valadouro en homenaxe ao músico Miro Casabella. A Quenlla, Arcadio, Bieito Romero, de Luar na Lubre, David Bellas, García e Leo, Quintas Canella, Tino Baz, e Pilocha participarán no acto organizado por varios colectivos culturais.
Será unha homenaxe colectiva, promovida por distintas asociacións e entidades da provincia co apoio da área de Cultura da Deputación de Lugo e a Concellería de Cultura de O Valadouro. Miro Casabella recibirá o vindeiro día 5 de xullo unha homenaxe e virá coa forma dun concerto no que participarán músicos como A Quenlla, Arcadio, Bieito Romero, de Luar na Lubre, David Bellas, García e Leo, Quintas Canella, Tino Baz ou Pilocha "A xornada iniciarase coa colocación dunha peza cerámica na súa casa natal e continuará cun xantar popular" Amado Lar, Liga Céltica Galaica e O Mundo de Galea, de O Valadouro; Aventados, de San Cibrao; Buril, de Burela; Casa Hamlet, de A Coruña; Francisco Lanza, de Ribadeo, Irmandade San Caetano, de Celeiro de Mariñaos; Mariñapatrimonio, Ollomao, de Barreiros; Os Castros, de Cangas; e Pensamento e Sementeira, de Viveiro son algúns dos colectivos que participan na organización deste acto de recoñecemento ao cántante de Ferreira do Valadouro, un creador que vén sendo protagonista nos últimos meses de distintos actos, en especial na Mariña, de cara a esta homenaxe colectiva. Fundador de Voces Ceibes e autor de temas emblemáticos da música galega desde os setenta como o célebre "O meu país", a voz inconfundíbel de Miro Casabella participará nesta xornada de homenaxe que, alén do concerto do serán, iniciarase coa colocación dunha peza cerámica na súa casa natal, continuará cun xantar popular no parque coa intervención e figuras da nosa cultura como Vicente Araguas, Lois Diéguez, Manuel Lourenzo, Arturo Mogo ou David Otero. O libro-CD de Xan Fraga, "Miro Casabella e a nova canción galega", será o agasallo de área de Cultura da Deputación para participantes. "Por ceibar a voz", o concerto colectivo, porá fin á xornada. "Con esta homenaxe a Miro Casabella estamos pondo en valor o labor de recuperación democrática e de pensamento galeguista e nacionalista ao que contribuíron figuras da canción galega na época do tardo franquismo e a chamada transición", afirmou o responsábel da área de Cultura da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga.
NOS_54551
Os contratos non son froito de negociación entre as partes e impoñen prezos á baixa. A Federación Rural Galega pide a Xunta e Estado que obriguen á multinacional a retirar as condicións.
A Federación Rural Galega (Fruga) denuncia os contratos "abusivos" que a multinacional Lactalis, primeira empresa en recollida de leite en Galiza, está a presentar ás explotacións do noso país. Fruga afirma que o contrato "non responde a ninguna negociación entre as partes," senon que é unha "imposición da empresa compradora, xá que de non acetar as súas condición o dia 1 de agosto xá non che ven a recoller o leite". A isto engade que os prezos que fixa Lactalis parten dun prezo inferior ao prezo medio pagado en Galiza, "que xá é o mais baixo de todo o Estado español". Ademais, e segundo afirma a Federación, na cláusula 5 do contrato estabécese que Lactalis ten dous meses dous meses de leite sen estar obrigada a llo pagar á granxa suministradora. A isto engaden que a multinacional impón unha cláusula pola que as partes asinantes "obríganse a non revelar o contido das condicións do mesmo". Por todo isto, a organización agraria empraza Xunta e Estado a parar o que cualifica como "abuso absoluto".
NOS_12545
O portavoz nacional do BNG considera a situación actual "irrespirábel", incidindo na necesidade de "dar voz ao pobo" perante a "podremia que deturpou os procesos electorais" . Fixo as declaracións na presentación dunha batería de iniciativas do BNG para esclarecer o que pasou e as responsabilidades no sinistro de Angrois
O BNG considera que a situación política e institucional actual é "irrespirábel" e "insostíbel". Un escenario no cal o que cómpre é "restaurar a lexitimidade democrática porque "un Executivo corrupto, como este, non pode gobernar". Así o manifestou o portavoz nacional nacionalista, Xavier Vence. "Este baile de máscaras, de falsidade e de cinismo do PP está a indignar a cidadanía, que avoga por romper con esta situación", apuntou Vence. "Cómpre darlle voz ao pobo para acabar coa podremia que deturpou os últimos procesos electorais", engadiu o voceiro da fronte nacionalista. Xavier Vence chamou á cidadanía a "recuperar a democracia secuestrada" 'Queremos saber'.Batería de iniciativas do BNG sobre o accidente de Angrois Vence fixo estas declaracións durante a rolda do BNG para presentar a batería de iniciativas que desenvolven os nacionalistas para preguntar sobre o sinistro ferroviario de Angrois. "As declaracións contraditorias dos presidentes de Renfe e de Adif e as medidas de seguridade que se están adoptando poñen de manifesto que esas medidas de seguridade non estaban adoptadas, por iso é necesario botar luz sobre todos os factores", sinalou a deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez. Comisión de Investigación Así, o BNG presentou unha proposición de creación dunha comisión de investigación para deitar luz sobre o grave sinistro e sobre a situación das infraestruturas ferroviarias en Galiza. "As causas deben aclararse con veracidade, obxectividade e transparencia para que non volva acontecer nada igual", sinalou Rosana Pérez, quen engadiu que esta comisión debe estudar, entre outras cuestións, o trazado do lugar do sinistro e os cambios de velocidade estipulados, a posibilidade de mellora dos sistemas de seguridade ou a idoneidade de aumentar a dous o número de maquinistas responsábeis de dirixir a locomotora. A isto engádense toda unha serie de proposicións e preguntas en sé parlamentar, desde as relativas o sistema de freado até a sinalización
NOS_14487
A CIG-Saúde vén de denunciar perante a Inspección de Traballo a "pasividade e a ausencia de medidas da Xerencia" da área sanitaria ante "os reiterados accidentes por situación de violencia no hospital psiquiátrico de Conxo (Compostela".
O sindicato informa nun comunicado de que a unidade UAE do Hospital Psiquiátrico de Conxo ten unha ocupación máxima de 20 pacientes en réxime fechado e alto nivel de supervisión, con videovixilancia. Porén, "conta cunha serie de deficiencias estruturais e de carencia de sistemas de seguridade que vén arrastrando no tempo". "A día de hoxe, hai un alto rexistro de situacións de violencia", advirte a CIG, quen puxo en coñecemento da Xerencia a situación en diferentes reunións. A CIG advirte ademais de que as portas do cuarto de baño da entrada da unidade favorecen o atrincheiramento de pacientes; que as camas non son seguras nin están ancoradas ao chan; que non hai material almofadado para protección do pacientes e que as ventás filtran auga e humidade e non contan con cristais irrompíbeis. Asegura que o sistema de seguridade de alerta inmediata para pedir axuda no caso de agresión non funciona e reclama protocolos para doentes susceptíbeis, reincidentes e de especial agresividade e tratamentos individualizados centrados nas e nos doentes que permitan a máxima rehabilitación e autonomía. Tamén reivindica un plan de formación para traballadores ou creación de novas terapias alternativas e equipos multidisciplinares con dotación de persoal suficiente, entre outros. Como exemplo, subliñan a carencia de terapeuta ocupacional e monitores de actividades para os pacientes. A CIG-Saúde de Compostela asegura que, día de hoxe, "seguen a notificarse situacións de violencia nesta unidade non cumprindo o deber de protección".
NOS_1572
A empresa alemá afirma que este paso permitirá combinar produtos das dúas compañías
A maior adquisición do ano. Así califica o Financial Times a compra por Bayer de Monsanto nunha operación por valor de 58,7 mil millóns de euros. Todo un récord. A multinacional alemá das áreas farmecéuticas e química faise así coa agro-química estado-unidense creando un xigante no eido do desenvolvemento de sementes, pesticidas e químicos para a agricultura. Bayer aceptou pagar 128 euros por acción, valorando así Monsanto en 66 mil millóns de dólares (case 59 mil millóns de euros). Supón 8 dólares máis por acción que o que a multinacional xermana ofreceu na súa primeira oferta. Monsanto está no albo de críticas e denuncias por ambientalistas e grupos de defensa do consumidor polas súas sementes xeneticamente modificadas. Bayer, a través dun comunicado, explica que a suma de ambas as dúas empresas vai permitir combinar os produtos de cada unha das empresas. Os alemáns consideran que a "agricultura está no centro dun dos maiotres desafñios do noso tempo: como alimentar, de forma ambientalmente sustentábel, tres mil millóns de persoas a maiores en 2050". O negócio, porén, aínda terá de passar pola peneira dos reguladores de varios países. O contrato inclue unha compensación de dous mil millóns de euros a pagaer por Monsanto à Bayer en caso de non chegar o acordo a bo porto por mor das obxeccións das autoridades.
PRAZA_18028
A comisión pactada por En Marea, PSdeG e BNG abordará o impacto xeral dos recortes sanitarios e casos concretos como o falecemento dun paciente na Estrada sen atención, as restricións en fármacos da hepatite ou o horario reducido do tratamento de infartos En Marea, PSdeG e BNG pactan investigar a morte no PAC da Estrada e os recortes sanitarios ANÁLISE | A oposición galega afaise a camiñar xunta
En Marea, PSdeG e BNG pactan investigar a morte no PAC da Estrada e os recortes sanitarios ANÁLISE | A oposición galega afaise a camiñar xunta O falecemento dun doente sen atención médica no Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada. As mortes de pacientes de Hepatite C mentres agardaban que lles fose dispensada a súa medicación. Os traslados a centos de quilómetros de persoas que padecen un infarto en Lugo ou Ourense. Os "colapsos" dos servizos de urxencias. Son só algúns dos elementos que os tres grupos da oposición galega queren poñer sobre a mesa na comisión de investigación sobre os recortes sanitarios dende o ano 2009 e que En Marea, PSdeG e BNG se dispoñen a activar. A posta en escena este venres do acordo pechado por Luís Villares, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón na tarde do xoves deu lugar a unha imaxe practicamente inédita. Os tres voceiros parlamentarios das forzas da esquerda da Cámara convocaron á prensa xuntos e sentaron na mesma mesa para explicar o seu pacto. Van activar o mecanismo parlamentario que, dende a reforma do Regulamento en 2015, permite activar unha comisión de investigación por lexislatura sen apoio da maioría absoluta do hemiciclo se a reclaman, cando menos, dúas quintas partes da Cámara. "Estamos unidos e unidas no que importa, na defensa da saúde da xente; teñen que saber que estamos unidos na defensa dos seus dereitos, que é o que nos reclaman", resume Villares. A comisión pactada por En Marea, PSdeG e BNG abordará o impacto xeral dos recortes sanitarios e casos concretos como o falecemento dun paciente na Estrada sen atención, as restricións en fármacos da hepatite ou o horario reducido do tratamento de infartos As tres formacións, detalla o voceiro de En Marea, acordaron facer un "esforzo compartido" porque "a cidadanía, votase a quen votase, non quere que nun servizo de urxencias non haxa persoal dispoñible para atender unha persoa que chega enferma" ou que "se lle neguen medicinas" por razóns económicas", argumenta. Neste sentido, o socialista Fernández Leiceaga considera que o falecemento da Estrada sen que o paciente puidese ser atendido foi "consecuencia directa dos recortes aplicados por Feijóo dende 2009" e a resposta ofrecida por Feijóo foi simplemente "decepcionante". Por ese motivo, agrega o voceiro do PSdeG, a comisión de investigación tentará "someter a escrutinio o sistema sanitario galego, determinar o que está fallando e en que debemos melloralo" para evitar "consecuencias dolorosas". A xuízo da portavoz nacional do BNG activar este mecanismo parlamentario extraordinario tornou para a oposición nunha "obriga moral e ética" ante o "suceso tráxico" da Estrada. O presidente da Xunta, lamenta a líder soberanista, respondeu de maneira "decepcionante e cruel" ante o acontecido o 4 de setembro. Feijóo está "encastelado, sen asumir responsabilidades" e por iso a oposición vai "facer unha diagnose do deterioro da sanidade pública", pero tamén procurará "esclarecer responsabilidades" neste e noutros casos. Por iso, avanza, pedirán comparecencias como a do presidente da Xunta e do conselleiro de Sanidade. Chamamento a que o PP non boicotee a investigación A oposición pode activar a investigación sen apoio dos populares, que terán maioría absoluta tamén na comisión O devandito mecanismo parlamentario permite activar a investigación aínda que o PP se opoña, pero os conservadores seguirán a ter maioría absoluta unha vez que a comisión estea formalmente creada. É por iso que En Marea, PSdeG e BNG instan o Grupo Popular a non boicotear as pescudas mediante o bloqueo de comparecencias ou atrancos á entrega de documentación. "O PP debe entender -di Villares- que non se pode participar nunha comisión coma esta xogando con trucos parlamentarios para escapar das responsabilidades que ten sobre o sistema sanitario galego". Baixo o nome formal de Comisión de Investigación para determinar as consecuencias dos recortes e privatizacións sobre o Sistema Sanitario Galego (2009-2018), con especial incidencia en casos como a non dispensación de medicamentos necesarios aos enfermos da hepatite C ou o falecemento dun paciente sen atención no PAC da Estrada a oposición rexistrará o vindeiro luns unha comisión que para o voceiro parlamentario do PP en materia sanitaria, Aurelio Núñez, non é máis ca un intento de "desprestixiar" a imaxe da sanidade pública galega. Así e todo, matiza Núñez, o grupo do PP vai "colaborar" cos traballos e utilizará a comisión para "desmontar as falacias da esquerda". O PPdeG teoriza que a comisión foi lanzada polo alcalde de Vigo para "agochar" o seu "sentido de culpa" polo accidente do Marisquiño Unha interpretación diferente é a que realiza, tamén no nome do PPdeG, o seu secretario xeral. Segundo Miguel Tellado, a verdadeira intención desta comisión non é indagar na situación da sanidade pública e os seus impulsores non son os grupos parlamentarios de En Marea, PSdeG ou BNG. Segundo o número dous de Feijóo no seu partido, o verdadeiro autor desta comisión é o alcalde de Vigo, Abel Caballero, coa intención de desviar a atención a respecto do accidente do Marisquiño. "Sempre que ten un problema tiña o recurso de poñer as luces de Nadal" e "agora, tamén inmiscuírse na política autonómica", teoriza Tellado, quen di "respectar as decisións da oposición mesmo cando son tomadas dende Vigo", se ben di ter a "sensación de que o que está pasando agocha un sentido de culpa do señor Abel Caballero".
NOS_52911
A ministra de Dereitos Sociais recibiu 88,69% dos apoios para substituír Pablo Iglesias á fronte da formación morada
A ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra, converteuse este domingo na nova secretaria xeral de Podemos ao recibir o apoio do 88,69% dos rexistrados que emitiron o seu voto na cuarta Asemblea Cidadá da formación. Concretamente, un total de 45.753 militantes e simpatizantes decantáronse por Belarra sobre un total de 51.589 votos válidos, 96,53% do total de 53.443 de persoas que participaron nestas primarias. Mentres, os seus rivais nesta Asemblea obtiveron escasos apoios. Desta forma, o militante crítico Fernando Barredo cultivou 3.106 votos mentres que o edil no Concello de San Lorenzo del Escorial Esteban Tettamanti quedou nos 2.730 sufraxios. A participación nestas primarias aproximouse aos niveis de Vistalegre III, que entón reelixira Pablo Iglesias co voto duns 59.000 rexistrados. Desta forma, Belarra terá a responsabilidade de capitanear ao partido nunha nova etapa que deixa atrás os máis de sete anos marcados polo forte liderado de Pablo Iglesias, que decidiu retirarse da política tras as eleccións madrileñas do pasado 4 de maio. Desde que anunciou a súa candidatura, a nova secretaria xeral da formación violeta reivindicou a súa aposta por un Podemos máis coral, con liderados colectivos, non colaborativos e non confrontativos. A súa aposta tamén é feminizar a dirección do partido e, por iso, os seis primeiros postos da súa candidatura cópano seis mulleres, coa titular de Igualdade, Irene Montero, como 'número dous'
NOS_21402
Dos 2.800 millóns de euros que o comisario da Competencia confirmou que terá que devolver o naval do Estado español polas axudas do 'tax-lease', uns 1.700 millóns pagaraos Galiza
Dos 2.800 millóns de euros de axudas do 'tax-lease' que o naval do Estado español vai ter que devolver, por volta dun 61% sairá do sector galego. O máis prexudicado, e con diferenza, pola decisión adiantada polo comisario da Competencia da UE, Joaquín Almunia, e que o vindeiro 17 podería se facer firme en Bruxelas. Así, o naval galego tería que devolver por volta de 1.700 deses 2.800 millóns. O vasco uns mil millóns e o asturiano, en torno a cen millóns, segundo os cálculos de El País. Así, o naval galego tería que devolver por volta de 1.700 deses 2.800 millóns. O vasco uns mil millóns e o asturiano, en torno a cen millóns Só en Vigo, e en 2012, perdéronse perto de 3.000 empregos no naval. Segundo cálculos da patronal do sector. Ter que devolver 1.700 millóns de euros supón, sen eufemismos, liquidar a este sector e o seu peso económico e social en Vigo e Galiza. Obrigarlle a botar o peche. Unha denuncia que partillan todos os sindicatos (CIG, CCOO, UGT, CUT,...) e tamén os partidos políticos. Mesmo o PSdeG-PSOE, que vén de afirmar que é preferíbel que Almunia presenta a dimisión a que estrague sectores estratéxicos Só Almunia? En Joaquín Almunia estanse a concentrar todas as críticas pola decisión sobre a devolución das axudas. O PP carga duramente contra o que cualifica de "traidor". Mais a decisión definitiva adoptarase nun organismo de Bruxelas onde os populares posúen maioría absoluta. Así pois, se hai que pagar o tax-lease vai ser porque os populares están de acordo. Pymar, a agrupación que representa aos estaleiros privados, perto dunha vintena en todo o Estado, considera que ter que devolver as axudas de 'tax-lease' entre 2005 e 2011 é un ataque sen precedentes contra o naval. Desde centrais como a CIG instaron a Rajoy a convocar ao sector "nun prazo máximo de 24 horas" ou do contrario desenvolverán mobilizacións máis contundentes. O secretario nacional do Naval da CIG, César Rodríguez, insistiu na necesidade de convocar unha folga xeral na comarca e sinalou a culpabilidade do Goberno español e da Xunta na "morte" do sector.
NOS_26499
Caracas interpreta a medida como unha inxerencia dirixida a derrocar o goberno unha vez que a oposición dereitista foi 'incapaz' de facelo.
Venezuela pasa a acompañar a Cuba no grupo de estados americanos que forman parte da lista de ''ameazas á seguridade nacional'' de EUA, unha clasificación que anunciou Barack Obama ao tempo que as sancións a 7 funcionarios venezuelanos, aos que suspende as visas e conxélalle os bens que teñen en territorio estadounidense. O presidente Barack Obama argumentou esta decisión en que Venezuela é "unha ameaza inusual e extra-ordinaria á seguridade nacional e política exterior" de EUA. Esta inclusión faculta o presidente de Estados Unidos a adoptar medidas e decisións contra este país alén das que aprobe o Congreso. O anunciou xerou a reacción venezuelana, mais non só. Outros estados latino-americanos tamén se pronunciaron sobre esta medida de EUA. Así, Evo Morales (Bolivia), solicitou unha reunión urxente de Unasur e Celac para que estes organismos rexionais se pronuncien e asuman a defensa de Venezuela. Desde Ecuador, Rafael Correa afirmou que o paso de Washington "debe ser unha broma de mal gusto, lémbranos as horas máis escuras da nosa América, cando tiñamos invasións e ditaduras impostas polo Imperialismo". "Preparan unha agresión militar" Para o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, a decisión do goberno estadounidense é un paso "nefasto e inxusto contra Venezuela", unha medida que procura derrocar o goberno de Caracas perante a incapacidade da oposición de dereitas para facelo malia os intentos de 'golpe de estado'. O presidente bolivariano enfatizou que EUA "non ten dereito a agredir Venezuela" e que se está a meter nun 'sal-se-podes'. Criticou que Obama queira dar leccións de dereitos humanos e lembroulle o que está a acontecer coa poboación negra de EUA e as mortes e brutalidade policial. Máis duro se manifestou Diosdado Cabello, presidente da Asemblea Nacional de Venezuela, que advirte que os EUA están a preparar a invasión do país. Afirma que esta decisión hai que enmarcala nunha estratexia "que está planificada" e preguntouse que papel escolle protagonizar "a dereita venezuelana" perante unha agresión e posíbel invasión.
NOS_13425
O dado facilitouno SOS Sanidade Pública, que convocou para o 13 de febreiro máis unha mobilización contra o desmantelamento da área sanitaria olívica. Sairá ás 20h desde a Praza de España.
A plataforma SOS Sanidade Pública denuncia que o Sergas derivou 300.000 pacientes das áreas sanitarias de Pontevedra e do Salnés, que tiñan como referencia o hospital de Vigo. Pasarán a depender do hospital de Santiago. Ao entender do colectivo, tal decisión exemplifica "o desmantelamento" do sistema público de saúde e desenmascara as intencións do PP de "favorecer o negocio" da construtora adxudicataria das obras do novo hospital de Vigo "ao facelo máis pequeno porque non terá que atender tanta xente" e beneficiando o hospital privado Povisa. "Mentres as demais áreas dispoñen dun hospital público, a de Vigo encamiñase a un novo hospital privatizado, recortado sobre o proxecto inicial, con insuficientes recursos profesionais e tecnolóxicos, como convén a Povisa, que parasita e chantaxea dende a súa apertura, hai décadas, a nosa sanidade pública coa complicidade da Xunta", denuncia SOS Sanidade no seu manifesto. Segundo explica a plataforma, a decisión de derivar 300.000 doentes a Compostela persegue "tres obxetivos políticos" que pasarían por perpetuar o concerto con Povisa, ao cal a Xunta destinará 75 millóns ao ano durante 11 anos; que non se constrúa o centro de alta resolución do Morrazo; e adaptar o tamaño e dotación do novo hospital aos recortes "para maximizar as ganancias das empresas privadas concesionarias".
NOS_9536
As gravacións realizadas pola policía dentro da Operación Lezo -que investiga irregularidades na empresa pública madrileña Canal Isabel II- non só revelan a presunta corrupción do Partido Popular. Tamén informan sobre as liortas internas dentro da dereita española. E moi particularmente sobre o "odio africano" de Aznar contra Mariano Rajoy.
Nun documento sonoro destapado polo xornal catalán La Vanguardia e que recolle unha conversa entre o ex ministro Eduardo Zaplana e o ex presidente da Comunidade de Madrid Ignacio González, Zaplana explica as preferencias de José María Aznar. "Este non pode continuar. Este Rajoy é imposíbel. Esta lexislatura non pode durar (…) a ver se cando caia nos vai arrastrar a todos", di Zaplana que lle confesou o ex presidente do Goberno español. É nese contexto -a comunicación rexistrada pola policía data de xaneiro deste ano- en que Aznar se nega a lle contar a Zaplana cal é a súa aposta para a hipotética sucesión de Mariano Rajoy. "Creo que el está pensando que tanto lle ten quen sexa, o caso é salvar a cara (...) Se é Feijóo, pois Feijóo. O que veña terá o seu apoio. Porque el non está para dicir 'ten que ser este".
NOS_28660
A Xunta xoga a dúas bandas. Namentres a consellaría do Medio Rural declara A Limia como Zona de especial interese agrario e proxecta catro novos plans de regadío, a consellaría de Industria saca a exposición pública o proxecto mineiro
Convencid@s de que a presión social botará abaixo a explotación mineira a ceo aberto que a empresa Minacer proxecta en Xinzo da Limia, centos de veciñ@s manifestáronse esta cuarta feira no museo do Entroido para manifestar o seu rexeitamento ao plan 'Faramontaos 5089.1', que se atopa en fase de exposición pública previa á concesión ou denegación da licencia por parte da Xunta de Galiza. Mobilizáronse baixo un lema claro: 'A mina ou nós'. Di Carmen Díaz, presidenta da plataforma Corno do Monte, que o proceso de extracción de feldespato nunha superficie que afectaría máis de 400 hectáreas (a superficie aproximada de 400 campos de fútbol) "precisaría do uso de ácido fluorhídrico altamente contaminante" e acrecenta que eses terreos agrícolas sae produción por valor de 2,7 millóns de euros anuais "e deles viven máis dun milleiro de familias". A explotación mineira instalaríase nos lugares de San Pedro de Laroá, Laroá, Fiestras, Seoane, Faramontaos, Moreiras, Paredes e Rebordechá, todos pertencentes ao concello de Xinzo. Explica Díaz que a actividade de Minacer xeraría "importantes danos" especialmente por contaminación do subsolo en hectáreas agrogandeiras que albergan máis de 600 explotacións. Desde a Xunta xogan a dúas bandas. Namentres a consellaría do Medio Rural declara A Limia como Zona de especial interese agrario e proxecta catro novos plans de regadío, a consellaría de Industria saca a exposición pública o proxecto mineiro. Segundo denuncia a Sociedade galega de historia natural, este cadra "exactamente" cunha das catro zonas que o departamento que dirixe Rosa Quintana quere transformar en regadío.
NOS_41004
A familia de Santiago Maldonado, cuxo corpo se atopou a pasada terza feira no Río Chubut –información que foi confirmada na sexta feira– esixe xustiza polo crime cometido contra o activista social, comprometido coas causas das persoas máis desfavorecidas.
Nas redes sociais, e tras coñecerse na sexta feira que o corpo atopado no Río Chubut era o de Santiago Maldonado, o seu irmán Sergio expresou a modo de despedida o "desexo de que foses testemuña de todo o que ocorreu nestes 80 días, que toda a xente que se mobilizou e sensibilizou por ti". Após se confirmar que o corpo atopado na terza feira é o de Maldonado, o pobo arxentino mobilizouse o pasado sábado para pedir xustiza pola súa desaparición forzada. Tamén foi o sábado cando a familia Maldonado confirmou que o presidente da Arxentina, Mauricio Macri, conversou coa nai do activista vía teléfonica. "Máis alá do inoportuno momento elixido para a primeira chamada, após un silencio de case 80 días, é importante que o presidente asuma que o noso único obxectivo é lograr xustiza por Santiago", expresou a familia nun comunicado. No texto, esíxelle á ministra de Seguridade, Patricia Bullrich, explicacións detalladas sobre o operativo da Xendarmaría do 1 de agosto, cando seu viu con vida por última vez. Santiago Maldonado desapareceu logo de ser reprimida unha manifestación en defensa da comunidade mapuche. A familia ratificou a solicitude da intervención do Grupo Internacional de Expertos Independentes para obter transparencia na investigación A familia ratificou a solicitude da intervención do Grupo Internacional de Expertos Independentes para obter transparencia na investigación, tras coñecerse publicamente os primeiros resultados da autopsia de Santiago Maldonado, que non reportaron lesións, segundo as fontes gobernamentais, e que son cuestionadas polas persoas achegadas ao activista, que tiña 28 anos. Macri por fin rompe o silencio Coincidindo coas eleccións lexislativas coas que este domingo o pobo arxentino elixe os 127 parlamentares e 24 senadores para os próximos seis anos, Mauricio Macri rompeu o silencio a respeito de Maldonado. Levaba case 80 días sen pronunciarse ao respeito da desaparición forzada do activista malia os reiterados e masivos protestos que tiveron lugar os últimos meses en todo o país. Falou para pedir prudencia, "aos arxentinos pídolles prudencia; deixemos traballar a xustiza, empezou a xerarse luz e verdade sobre o que pasou e nas próximas semanas teremos toda a verdade".
NOS_16438
A querela criminal será presentada na Audiencia Nacional española previsibelmente esta mesma semana e denuncia a dirección das extintas caixas de aforro por un suposto delito de "estafa", "publicidade enganosa" e "apropiación indebida" en relación coa fraude das preferentes.
A Confederación Intersindical Galega (CIG) anunciou esta segunda feira en comparecencia de imprensa que o seu gabinete xurídico presentará unha denuncia perante a Audiencia Nacional española contra a cúpula das extintas caixas de aforro. A decisión está relacionada co calote das preferentes e exixe responsabilidades legais aos antigos directores xerais e presidentes de Caixa Galicia e Caixa Nova por un suposto delito de "estafa", "publicidade enganosa", "apropiación indebida" e "maquinación para alterar o prezo das cousas". A querela tamén atinxirá a dirección resultante da fusión de ambas as dúas entidades. José Luis Méndez, José Luis Pego, Mauro Varela e Julio Fernández Gayoso --xunto con outras 79 persoas-- terán de responder pola comercialización de produtos financeiros tóxicos entre @s aforrador@s sen a información debida e en moitas ocasións mesmo sen o seu consentimento.
NOS_47048
Cada día naceron de media, no primeiro semestre deste ano, 38 bebés, fronte aos 58 que se rexistraban só unha década atrás.
A Galiza encadea máis de tres décadas —desde 1988— cun saldo vexetativo negativo, isto é, rexistrando máis defuncións que nacementos, unha circunstancia que se dá fundamentalmente polo constante descenso da natalidade. Cada ano nacen no país menos crianzas, situación agravada na última década, pasando de 21.594 partos en 2011 a 14.784 ao remate do pasado exercicio, isto é, unha caída de até 31,5%. Esta situación, porén, non ten visos de mellorar. A estimación de nacementos de xuño que nesta cuarta feira publicou o Instituto Nacional de Estatística (INE) evidencia un retroceso de 2,04% no total acumulado en 2022 en comparanza co ano precedente , cun total de 6.941 —145 menos que doce meses atrás—. Esta cifra tradúcese en só 38 nacementos cada día en 2022, o que contrasta fortemente cos 58 rexistrados a diario no ano 2012, hai apenas unha década. No conxunto do Estado español, pola contra, este indicador interanual foi positivo: até o pasado xuño houbo 0,13% máis de nacementos que en 2021 nesta altura do ano. Aliás, tomando como referencia o dato de 2019, antes da irrupción da pandemia da Covid-19, a natalidade caeu na Galiza até 10,3%, fronte a 8,5% no a nivel estatal. 36.281 persoas deixaron de nacer desde 2009 no país pola emigración xuvenil Con base nesta mesma estatística conclúese tamén que no primeiro semestre de 2022 case oito de cada dez nais —79,1%— tiveron a súa crianza superados os 30 anos de idade. En concreto, en 2.103 nacementos a nai tiña entre 30 e 34 anos e noutros 2.291, entre 35 e 39, por volta doutras 964 que tiñan entre 40 e 44, 127 con entre 45 e 49 anos e oito con máis de 50. Só 1.017 tiñan de 25 a 29 anos, mentres 357 ficaban no treito de 20 a 24 e 74 eran menores de 19 anos. A Mariña lidera as afiliacións de persoas estranxeiras Noutra orde de asuntos, o Instituto Galego de Estatística (IGE) difundiu tamén nesta cuarta feira os datos de afiliación á Seguridade Social de persoas estranxeiras, que supoñen 4,5% do total de 1.041.093 traballadoras e traballadores dados de alta. As comarcas do país cunha maior porcentaxe de afiliacións estranxeiras son A Mariña Central (9,4% do total) e Occidental (7,8%), xunto a Valdeorras (8,4%) e Verín (7,6%). A listaxe proséguena Viana (6,9%), Baixa Limia (6,6%), Terra de Lemos (6,2%), Meira (6,1%), Ourense (6%), A Coruña (5,7%), Lugo (5,5%), A Mariña Oriental (5,5%), O Carballiño (ídem), Vigo (4,9%— e Sarria (4,6%).
NOS_39402
A da Atlética Lucense rachou co récord nacional
O Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra vén de acoller a disputa do Campionato da Galiza individual e de combinadas Sub-18, torneo no que volveu asombrar Xela Martínez. A deportista da Atlética Lucense fixo bos todos os prognóstico ao gañar a proba dos 2.000 obstáculos e, ao mesmo tempo, rebaixar en máis de cinco segundos o récord galego para deixalo finalmente nos 6.52.40 cos que encabeza o ránking estatal. Outra das plusmarcas galegas estabelecidas viría da tamén lucense Aldara Meilán sobre a proba dos 5.000 marcha, logo de rematar cun excelente rexistro de 23.12.68 que a colocan, como no caso de Xela, como número un estatal no que vai de ano 2022. No referente ao resto de probas, Alicia Barreiro (RIA Ferrol) impúxose sobre os 400 metros cun excelente crono de 57.91; Fabián Vidal, da Atlética Barbanza, dominou a velocidade vencendo tanto nos 100 como nos 400 metros lisos, distancia esta última na que rematou cun destacado rexistro de 50.13; por último, nos valos Simón Rodríguez (Riazor Coruña) foi quen de introducir o seu nome no Top-10 do ránking estatal dos 400 valos cun tempo de 57.18. No sector dos saltos, excelente campionato para a perteguista do Celta Lisa Vosberg, voando sobre os 3.50 metros. Ademais, nos lanzamentos son dignos de salientar os rexistros logrados por Blanca Pereira (Ourense Atletismo), que mandou o martelo até os 63.25 metros. Igualdade nas combinadas Intenso e emocionante resultou ser o campionato de Combinadas. Nas mulleres a vencedora foi Diana Mosquera (A Silva), con 3.002 puntos, mentres que entre os homes un interesantísimo duelo entre Matías Moldes (Ximnástica) e Bran Núñez (Morrazo) caeu do lado deste último.
NOS_44145
O Ministerio de Facenda adianta os cartos das entregas a contas para facer fronte á crise do coronavirus.
A vindeira segunda feira Galiza percibirá parte dos 221,8 millóns de euros correspondentes ao primeiro dos pagamentos da actualización das entregas a conta do sistema de financiamento, e que ascende a 1.434 millóns de euros no conxunto do Estado español. En total, o Ministerio de Facenda adiantará 2.867 millóns de euros para dar liquidez aos territorios para que poidan facer fronte á crise do coronavirus, unha medida contemplada no Decreto-lei aprobado o pasado 12 de marzo polo Consello de Ministras. A segunda parte dos pagamentos realizarase arredor do 17 e abril. A estes fondos poderíanse sumar, no caso de que Galiza así o solicite, parte do pagamento da liquidación do exercicio 2018, que se ten que realizar en 2020 e que, en condicións normais, abónase a metade de ano. O Ministerio está a estudar esta posibilidade, que suporía adiantar outros 10.955 millóns de euros. Incluíndo todos os conceptos do sistema de financiamento, tamén a liquidación de 2018, Galiza contará con 7.937,54 millóns de euros, 6,05% máis que en 2019. Calendario da Renda Por outra banda, o departamento que dirixe María Jesús Montero, anunciou onte que os prazos para a Campaña da Renda 2019 seguen sen cambios. Varias asociacións tributarias e colexios profesionais fixeran un chamamento á ministra para adiar cando menos tres meses as declaracións de impostos, até que se "normalice" a situación do estado de alarma. Finalmente, o calendario para liquidar o Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) arranca o 1 de abril, como estaba previsto, e finaliza o 30 de xuño. Desde a Axencia Tributaria sinalan que na actual situación é "especialmente importante" manter as datas previstas para que as contribuíntes poidan recibir as súas devolucións, dado que 70% das declaracións saen a devolver e case 90% preséntanse por Internet.
NOS_27559
Os integrantes da lista reuníronse perante o Museo do Pobo Galego para presentar a candidatura como a "voz propia" e "100% galega" que vai defender "o país e o seu futuro".
Nós-Candidatura Galega presentou esta segunda feira en Compostala a súa candidatura para as eleccións do 20 de decembro, unha lista que, sinalan, quer ser un novo chanzo na historia da presenza do nacionalismo galego nas Cortes españolas: o Partido Galeguista na II República e o BNG a partir de mediados da década dos noventa. Exemplos que partillan con Nós o de ser, afirman, forzas "100% galegas" e que traballaron "con voz propia" desde o país e para o país. Olaia Fernández Davila, deputada do BNG no Congreso, foi a primeira en intervir, poñendo en valor o traballo desenvolvido polo nacionalismo galego nestas dúas décadas de presenza en Madrid. Incidíu na importancia de Galiza ter, na lexislatura que se abrirá após as eleccións de decembro, presenza nas Cortes para "defender a identidade nacional" do país, así como os seus intereses e necesidades. "Hai unha candidatura do país, e é esta" Carlos Callón, cabeza de lista pola Coruña, insistiu en que Nós "bebe" do legado marcado polo traballo e presenza dos deputados galeguistas e nacionalistas nas Cortes españolas. Unha presenza que fixo posíbel que " os problemas de Galiza estivesen na axenda" do Estado. "Nós imos a Madrid a defender Galiza e non os intereses dun partido concreto", dixo citando a Castelao. Para Callón, así como hai "viño do país e queixo do país", tamén hai "unha candidatura do país, que é esta". Unha lista que aúna a defensa de Galiza e das maiorías sociais e políticas de progreso, por iso, enfatizou "os votos a Nós valen duplo". Olalla Rodil, xornalista e cabeza de lista por Lugo, defendeu o valor do voto a Nós como unha aposta "nunha vida digna e na Terra" para todas as persoas, destacando o papel a xogar pola mocidade á hora de achegar a reverter a situación actual. Noa Presas -número 1 por Ourense- afirmou que a candidatura partilla "crer neste país" e situou o "nacionalismo de esquerdas" como a opción que pode permitir mudar a situación. Carme Adán, que lidera a candidatura por Pontevedra, tamén fixo referencia a Castelao e dixo que Nós era "a candidatura que racha coa resignación", a candidatura "100% galega". Unha lista para que os diferentes sectores produtivos do país teñan unha ferramenta que os defenda nas Cortes á vez que defende os servizos públicos e pula por "un futuro" para Galiza.
NOS_20446
O voceiro nacional do BNG insistiu en que a formación frontista fica "aberta" á incorporación de todas as forzas da esquerda nacionalista nunha candidatura.
O BNG continúa "aberto" á conformación dunha única candidatura face as eleccións europeas de maio en que concorran todas as forzas da esquerda nacionalista da Galiza. Voltou sinalalo este sábado o voceiro nacional da formación frontista, Xabier Vence, só unhas horas despois de que o líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, acusara o Bloque de rachar con esta posibilidade. "Seguimos abertos a esa gran coligación porque consideramos que Galiza precisa unha forte representación de todo o nacionalismo deste país", subliñou Vence, considerando así mesmo que o que non necesita Galiza "é que se afortalen formacións de ámbito estatal", en referencia á man que Beiras tendeu a Esquerda Unida defendendo unha alianza entre as dúas forzas maioritarias que integran AGE. En defensa do sector pesqueiro perante o desleixo do PP O voceiro nacional da formación frontista fixo as declaracións a respeito das europeas nun acto sectorial realizado na Illa de Arousa en que tamén asumiu a defensa do sector pesqueiro e marisqueiro en Europa perante o desleixo do PP. Así, reclamou acceso ao crédito, ampliar as cotas de pesca e seguros que cubran os paros forzosos na pesca de baixura e no sector mexilloeiro. Xabier Vence contrapuxo o traballo da eurodeputada e candidata ás eleccións europeas Ana Miranda na Eurocámara co abandono do PP, e citou como exemplo as emendas presentadas pola eurodeputada conservadora Carme Fraga para impor un sistema de etiquetado que prexudica ao sector marisqueiro e do mexilón galego. Pola súa banda, Miranda defendeu unha etiquetaxe en que fose obrigatorio informar da orixe do produto a quen o consome e opúxose a un acordo que deixaba fóra das augas de Mauritania a frota cefalopodeira galega.
NOS_44948
Apuntando ás conclusións do Comité Clínico, Alfonso Rueda declarou este domingo que lle parece "razoábel" ante a evolución "favorábel" da situación epidemiolóxica.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou este domingo que ante a situación epidemiolóxica "favorábel" da Galiza lle parece "razoábel" que o comité clínico poida ampliar máis alá das 18 horas o horario de apertura da hostalaría. Nunha entrevista na Radio Galega, Rueda fixo súas as palabras do presidente Alberto Núñez Feixoo e recalcou que "oxalá" esta semana se poida avanzar na desescalada. Considera así "lóxico" dar pasos "curtos" mais "prudentes". Temén advertiu que as consecuencias económicas serán "moi duras". Após a manifestación da tarde do sábado por centos de profesionais da hostalaría en Compostela, Rueda deu a entender que teñen "todo o dereito do mundo" a protestar por ser "un colectivo moi castigado" polas restricións. De contado, engadiu que a Xunta é "consciente" dos prexuízos que sofren e afirmou que "desde o principio" intentou arbitrar axudas directas en dous "rescates" que suman 160 millóns de euros. Ampliación do toque de recoller? Onte mesmo, o vicepresidente, cuestionado polos medios sobre se a próxima semana o Goberno galego decidirá arredor dunha ampliación do horario de recoller obrigatorio até as 23 horas, respondeu que esa medida se debe tomar de maneira coordinada en todo o Estado. Afirmou que a Xunta é partidaria de decidir sobre esa cuestión a medida que se achegue máis a Semana Santa: "Na nosa opinión quizais sexa un pouco precipitado, se seguimos mellorando [...] é unha cousa que está enriba da mesa".
NOS_24723
A Coruña e Lugo seguen a ser as cidades que acubillan na xornada do domingo os protestos dos gandeiros, que piden solucións diante da caída do prezo do leite en orixe. Aseguran que continuarán mobilizándose até que se lle dea resposta ás súas demandas.
Máis un día, e vai a cuarta xornada, os gandeiros continúan as mobilizacións na Coruña e Lugo debido á falta de respostas ás súas demandas, que teñen como obxectivo un prezo xusto para o leite. Así, mentres en Lugo hai perto de medio milleiro de tractores aparcados na contorna da muralla, na Coruña hai perto de 200 situados nas proximidades das áreas comerciais. Un dos portavoces da asociación Agro Muralla, Roberto López, sinalou en declaracións a Europa Press que se mobilizarán de maneira indefinida até que se consigan solucións. Desde a Coruña, o membro de Unións Agrarias Óscar Pose, destaca a "boa acollida" dos protestos entre a veciñanza da cidade, que mesmo agasallou os gandeiros con cafés e comida e lles trasladaron o seu apoio. Na xornada desta segunda feira, 14 de decembro, as rúas de Lugo acollerán unha manifestación que partirá ás 12h da Porta de San Fernando, para continuar pola zona histórica. Na Coruña, os gandeiros decidirán se amplían os protestos a outras áreas da cidade. A día de hoxe atópanse diante do Carrefour de Alfonso Molina e diante do Alcampo de Palavea.
NOS_1690
A presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, aposta por fechar en Europa a cadea de valor dos 'chips' para evitar crises como a que está a afectar a automoción galega.
A automoción galega, liderada polo grupo Stellantis, leva meses padecendo as consecuencias da chamada 'crise dos microchips', un problema que non só afecta á Galiza, senón a todo o continente europeo. Ante esta situación, a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, incidiu no seu discurso durante o Debate sobre o Estado da Unión na necesidade de investir na "soberanía tecnolóxica" e dobrar o investimento en transformación dixital "de acordo coas propias normas e valores da UE". Na súa intervención, a política alemá puxo énfase nos semicondutores, eses "chips minúsculos que fan que todo funcione",indicou. "Non hai sector dixital sen os chips", engadiu antes de advertir de que a produción mundial destes compoñentes está a funcionar "a medio gas" pola "crecente demanda" e a escaseza". "Dependemos dos chips fabricados en Asia", lamentou Von der Leyen, quen recalcou a importancia de avanzar neste aspecto: "Non é só unha cuestión de competitividade, senón tamén de soberanía tecnolóxica". Nesta liña, a presidenta da Comisión anunciou que Bruxelas proporá unha Lei Europea de Chips. "Necesitamos conectar as nosas capacidades de investigación, deseño e ensaio que se atopan na vangarda mundial. Necesitamos coordinar os investimentos nacionais e da UE ao longo da cadea de valor", apuntou Von der Leyen. O obxectivo deste novo marco legal, explicou, será "crear conxuntamente un ecosistema de chips europeo de última xeración" que "garanta a seguridade de subministración e desenvolva novos mercados para unha tecnoloxía europea pioneira". Até 2022 A chamada 'crise dos microchips', que afecta moitas empresas europeas, é un problema que non se vai solucionar en cuesión de días. Segundo as persoas expertas, os paros na produción, como os que están a afectar á factoría viguesa de Stellantis e a boa parte da industria auxiliar da automoción, poderían estendese até 2022, sempre a expensas da evolución da pandemia. A aposta por fechar a cadea de valor dentro das fronteiras europeas redundaría nunha mellora do emprego e os custos de produción, ademais de que as industrias que aposten nos chips poderán beneficiarse dos fondos Next Generation.
NOS_11148
160.000 traballadores e traballadoras afectadas por estes expedientes.
Os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) presentados en Galiza xa son 30.463, con 159.385 traballadoras e traballadores afectados, segundo datos desta sexta feira. En comparación co dia anterior, tanto os ERTE como os traballadores inmersos nestes procesos por mor da crise do coronavirus increméntanse 2%. A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou esta quinta feira a existencia de "casos fraudulentos" na presentación de expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) por forza maior no país. O paro rexistrado aumentou en marzo en 8.252 persoas, unha media de 266 novas persoas no desemprego cada día. Un dato malo, derivado do impacto da crise do coronavirus, e no que non se computan os traballadores e traballadoras atinxidas por un expedientes de regulación tempotal do emprego (ERTE), ao considerarse que a súa situación é de suspensión, non de despedimento. No que atinxe á afiliación á Seguridade Social, desde mediados de marzo caeu na Galiza en 3,5%. A afiliación á Seguridade Social caeu na Galiza no mes de marzo en perto de 10.000 persoas, pasando das 112.353 de febreiro, ás 102. 623 de marzo.
NOS_19059
Rueda salientou que os seus compañeiros do PP de Pontevedra acompañárono e axudárono "en todo momento" nos últimos anos.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, non anunciará até a tarde desta sexta feira a súa candidatura a presidir o PP galego, durante a reunión da Xunta Directiva do Partido Popular (PP) de Pontevedra, por "respecto" aos seus compañeiros. O previsíbel sucesor de Alberto Núñez Feixoo, tanto no PP como na Xunta, puxo en valor a "unidade" e a "xenerosidade" demostrada, segundo el, polos membros do PP galego no proceso de substitución do aínda presidente do Goberno galego, a pesar de que nun primeiro momento o propio Feixoo pretendía elixir o seu sucesor nunha Xunta Directiva. A presión dos baróns provinciais, coa consecuente cota de reclamación de poder, levou o actual presidente do Goberno galego a rectificar e a optar por un pacto cos baróns para resolver o nomeamento de Rueda. As eleccións municipais de maio de 2023 porán a proba o liderado de Alfonso Rueda En resposta ás preguntas dos medios de comunicación antes de participar nun acto con empresarios en Vigo. Rueda insistiu en que hai un congreso extraordinario convocado para a elección do novo líder dos populares galegos, polo que deben actuar "conforme á planificación e con respecto, empezando polos compañeiros". Nese sentido, o vicepresidente primeiro do Executivo autonómico sinalou que, coa convocatoria do conclave, ábrense unha serie de trámites, que comezaran coa publicación da súa decisión, "nunca explicitada" de concorrer como candidato ao congreso dos vindeiros 21 e 22 de maio. Compañeiros do PP de Pontevedra Rueda salientou que os seus compañeiros do PP de Pontevedra acompañárono " e axudárono "en todo momento" nos últimos anos. "E espero que o sigan facendo", enfatizou, antes de engadir que "logo haberá tempo para seguir falando co resto de compañeiros". Preguntado polo apoio unánime dos baróns do PP galego, (Diego Calvo, Elena Candia e José Manuel Baltar) e polo ánimo expresado por moitos militantes e cargos do PP galego, repetiu que se sente "moi honrado e cunha enorme responsabilidade". Os baróns do PP fechan filas, publicamente, ao redor de Rueda Neste sentido, asegurou que calquera proceso de transición ou substitución "non é sinxelo". Porén, segundo Rueda, no PP da Galiza "fíxose da mellor maneira posíbel, demostrando unidade e moita xenerosidade por parte de moita xente". Un proceso que culminará "co que todos desexaban", un congreso extraordinario cunha "candidatura de unidade". Porén, o aínda presidente do PP de Pontevedra matizou que, unha vez convocado o congreso, "todos os militantes poden presentarse" e "todo o mundo poderá manifestar a súa opinión", o que "dá lexitimidade importante" á transición. "Eu agradezo que sexa así", concluíu.
PRAZA_5009
As mobilizacións sen horizonte son fume efémero, precisan da madeira das organizacións. E aínda así, é necesaria certa cegueira voluntaria á que aferrarse para insistir.
Hai un par de meses estalou unha verdadeira revolta en Gamonal, un barrio de Burgos, os veciños mobilizados conseguiron finalmente o seu propósito, paralizar a transformación da principal rúa nun bulevar que eliminaba as prazas de aparcadoiro que utilizaba a veciñanza. Non só iso senón que a mobilización desvelou a corrupción reinante no concello, retratou o ático ilegal do alcalde e mostrou quen era o empresario que movía os monicreques, quen era o verdadeiro dono da cidade. Nada en Gamonal tería ocorrido se a mobilización veciñal non contase coa simpatía ou atención dos medios Creo que nada diso, nin a paralización da obra o espir as relacións de poder e a corrupción na cidade, tería ocorrido se a mobilización veciñal non contase desde o principio coa simpatía ou, cando menos, coa atención dos medios de comunicación. Con razón ou sen ela, Gamonal foi interpretado inmediatamente como unha mostra do descontento cidadán polos custos da crise e unha esquerda desorientada e ansiosa de referencias tomou esa loita como un símbolo e un referente: Gamonal sinalaba o camiño de loita. Busco na Rede a composición do Concello de Burgos e vexo que o PP ten maioría absoluta con 15 concelleiros, o PSOE ten 8, UPyD 3 e EU 1. A expresión política da cidade parece ideoloxicamente moi conservadora e nada crítica coas políticas da dereita; como interpretar entón unha reacción veciñal tan contestataria? Sen dúbida aqueles veciños defenderon o que é seu, o público, e con iso combatían a especulación e o roubo, ou sexa a "privatización", pero persoalmente fun escéptico, sigo séndoo, sobre que a súa loita marcase un camiño e que fose outra cousa que unha reivindicación xusta pero particular. Non creo que sexa algo máis transcendente que iso porque xa vin entusiasmos e quenturas parecidas noutras ocasións. O significativo é a curiosidade e o entusiasmo con que foi atendida esa contestación veciñal Para min o significativo é a curiosidade e o entusiasmo con que foi atendida esa contestación veciñal. A curiosidade veu de que a rebelión se deu precisamente nun feudo da dereita, parecía denotar que o PP perdía o apoio das súas bases, e, en canto ao entusiasmo, creo que denota unha frustración moi grande nunha sociedade indignada pero encollida e escéptica acerca de que organizarse e mobilizarse sirva para algo. Unha sociedade que se mantén meramente no malhumor e as descargas verbais contra os políticos. Aínda que, efectivamente, os veciños de Gamonal movéronse polos seus dereitos e conseguiron o que pretendían, demostraron que se podían parar políticas inxustas. Esa é unha lección para quen non cren na acción política. É moi lóxico, doutra banda, crer que non se poden cambiar as cousas, pois a ideoloxía do PP é tan antidemocrática que perverte o sentido do voto e da mesma democracia, considera que un voto é un cheque en branco, por iso é insensible ás mobilizacións sociais e dun modo consciente as criminaliza e perségueas. En lugar de escoitalas e dialogar. É por iso que numerosas loitas sindicais e sociais que neste momento se dan en todo o Estado tropezan cun muro. Numerosas mobilizacións que se manteñen durante semanas e meses e que non conseguen espertar a curiosidade dos medios ante un fenómeno tan inesperado nunha cidade cunha veciñanza tan conservadora nin tampouco o entusiasmo de persoas críticas pero desanimadas. É un erro crer que unha mobilización conduce necesariamente a que as persoas que participan nela vaian revisar automaticamente a súa ideoloxía En todo caso, é un erro crer que unha mobilización conduce necesariamente a que as persoas que participan nela vaian revisar automaticamente a súa ideoloxía. Nin sequera repercute en gran medida no sentido do voto, neste caso da dereita cara á esquerda. Na acción política da esquerda para cambiar a sociedade hai dous momentos, o momento da mobilización e o da organización. E quen ten experiencia de mobilización sabe totalmente, e con certa amargura. A conciencia crítica pide cuestionar a ideoloxía dominante na sociedade e dentro de cada persoa. Iso non quita para que nas próximas eleccións nun lugar onde houbo fume queden rescaldos e haxa certo desprazamento de votos cara aos partidos que apoiaron as mobilizacións. As organizacións existentes que pretenden combater a inxustiza social teñen que revisar o seu funcionamento interno e en que se transformaron durante estas décadas, as que nazan novas deben aprender da experiencia anterior para evitar os mesmos erros, pero vellas ou novas ten que haber organizacións. Porque moitos nos enfadamos, quentámonos e saímos á rúa un día pero para soster as reivindicacións concretas e tamén os plans de cambio son imprescindibles as organizacións que continúan, aínda que sexa en frío, coas nosas demandas. As mobilizacións sen horizonte son fume efémero, necesitan a madeira das organizacións. E aínda así é necesaria una certa cegueira teimuda e voluntaria á que aferrarse para insistir. As mobilizacións sen horizonte son fume efémero, necesitan a madeira das organizacións Por certo, hai un poema de Bertolt Bretch que resume dun modo bastante preciso todo o que quixen argumentar estendéndome tanto, "Hai homes que loitan un día e son bos...". Poñan onde di "homes" "persoas" e sérvenos perfectamente.
NOS_58139
Nós Candidatura Galega e En Marea apostaron por achegarse ao campamento do cerco en Santiago de Compostela. O PSdeG reuniuse cos comités de empresa de Alcoa e de Navantia, mentres o PPdeG celebrou un acto en Lugo en apoio a Rajoy.
A campaña electoral botou a andar estas sexta feira após o pistoletazo de saída da pasada madrugada. As formacións que concorren á cita do 20 de decembro celebraron os primeiros actos para sumar apoios cara uns comicios que todas definen como transcendentais. Actos onde definiron os que serán os eixos principais de cada alternativa política no Congreso dos Deputados. Nós Candidatura Galega e En Marea apostaron por achegarse ao campamento do cerco en Santiago de Compostela. Pola súa banda, o PSdeG reuniuse cos comités de empresa de Alcoa e de Navantia, mentres o PPdeG celebrou un acto en Lugo. Estas son as principais propostas dos partidos nesta primeira xornada de campaña. Nós Candidatura Galega O leite e a pesca. A candidatura de unidade galega desprazouse a Compostela cun tanque de 200 litros de leite para repartir entre os mariñeiros do cerco, que manteñen unha acampada protesta fronte a sede da Xunta pola falta de cotas de pesca. Nós fixo un chamamento sobre a situación dramática que sofren os sectores produtivos do país, eixo moi presente no seu programa e nas súas candidaturas. O acto organizado foi organizado por Alberte Llamazares, gandeiro de profesión e número dous de Nós por Pontevedra, así Manolo Presas, armador do cerco e candidato pola Coruña. "O baixo prezo do leite que se lles impón ao sector gandeiros e a frota amarrada do cerco son exemplos de libro da importancia de ter voz soberana en Madrid", asegurou durante o mesmo o seu cabeza de lista na Coruña, Carlos Callón. "Estes que vemos hoxe aquí son os problemas reais da xente deste país que non aparecen nin se resolven en escenas de sofá con Bertín Osborne, nin bailando unha yenka nun programa de televisión, nin cantando unha nana guitarra en man nos platós", denunciou con ironía Callón, en referencia aos líderes das catro principais forzas estatais. Preguntado pola prensa, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, valorou a enquisa do CIS destacando que "un 42% das e dos votantes aínda non teñen decidido o seu voto". A candidatura galega tamén fixo campaña en Lugo e Ourense. A número 1 por Lugo, Olalla Rodil, presentou as medidas da formación para apoiar ao comercio local no Mercadiño de Frigsa. Rodil propuxo modificar a lei de comercio aprobada polo PP, que liberaliza os horarios comerciais e –segundo afirmou– pon en perigo o comercio de proximidade e empeora as condicións de traballo. Pola súa banda, a cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, asegurou que "haberá traballo se a xente se xunta, coopera e se imitan modelos que sostibles no plano ecolóxico e no económico", despois de visitar a cooperativa Postorio, especializada en produtos da horta do país. En Marea As cabezas de lista de En Marea por Pontevedra, Alexandra Fernández e Ángela Rodríguez, tamén visitaron o campamento do cerco para solidarizarse coas demandas dos mariñeiros galegos. Fernández comprometeuse a defender as reivindicacións do sector pesqueiro que cualificou de "estratéxico para Galicia" e que "nin Feijóo nin Rajoy están a defender como é a súa obriga". "Os problemas do cerco non son algo illado senón que está a afectar por igual a outros sectores produtivos e a toda unha xeración que non atopa futuro na nosa terra", engadiu Rodríguez, que destacou que "máis de mil familias afectadas están a demandar o que tantos outros sectores e persoas demandan: ter un futuro digno no noso país". No acto estivo presente a eurodeputada de AGE Lidia Senra, que relacionou estas "agresións á pesca galega cun modelo de explotación dos sectores primarios moi agresivo que está a afectar tanto á pesca como á agricultura". Mentres, a número dous da Marea pola Coruña, Yolanda Díaz, participou nun reparto de propaganda no centro da cidade herculina. En declaracións a Europa Press, considerou que a enquisa do CIS "indica que este país está cambiando substancialmente, como consecuencia das políticas de estafa". PSdeG A formación socialista mantivo un encontro na Coruña co persoal de Alcoa como primeiro acto de campaña. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, apostou durante o encontro por cambiar o reparto enerxético tras reunirse co comité de empresa da fábrica. "A posición ten que ser global na Unión Europea. O mercado común tamén ten que ter condicións comúns para as persoas que viven en Europa", afirmou Besteiro sobre o marco tarifario. O secretario xeral dos socialistas galegos chamou a ter "un goberno que teña forza en Europa". Besteiro tamén pediu un cambio no "reparto de todo o mapa enerxético de España", segundo declaracións recollidas pola axencia Europa Press. Esta tarde, a candidatura do PSdeG reuniuse co comité de empresa de Navantia, onde Besteiro asegurou que a súa formación apostará polo naval e polo investimento no sector. PPdeG O Partido Popular celebrou un acto de 'Balance do Goberno de Rajoy con Galicia' no que o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, dixo que "a mellor garantía de que Galicia siga sendo prioridade do Goberno de España" é a continuidade de Mariano Rajoy como presidente. Feijóo considerou que as eleccións son unha proba para a unidade de España e para "os españois que poñen os intereses de Galicia por detrás dos doutras comunidades", segundo nota de prensa publicada na web dos populares. Feijóo dirixiu as súas mensaxes contra as formacións estatais, asegurando que o PP é a "opción que garante a solvencia, o crecemento e a estabilidade" fronte outras opcións que "só destacan na telexenia e no márketing". O presidente da Xunta incidiu en que "se hoxe estamos mellor que hai catro anos é porque un goberno do PP lle plantou cara á crise". No acto participou a candidata por Pontevedra e ministra de Fomento, Ana Pastor, que prometeu o AVE en Lugo.
NOS_28141
Ampla mostra no Marco de Vigo até o 24 de maio
O discurso crítico dominante sobre a pintura de Manuel Colmeiro (Chapa, Silleda, 1901-Salvaterra de Miño, 1999) céntrase na súa etapa de madureza. O lirismo, a paisaxe, a cultura popular, eran, nos anos 60, a materia da súa obra e o que lle valeu recoñecemento e exposicións individuais en Londres, Lisboa ou París. Mais houbo outros Colmeiro, artista de longa vida, extensa traxectoria e múltiples variacións. Todos eles figuran na mostra Espazos e encadramentos, comisariada polo crítico, ensaísta e colaborador da publicación semanal Sermos Galiza Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958). Inaugurouse a pasada sexta feira no Museo de Arte Contemporánea (Marco) de Vigo, onde permanecerá até o 24 de maio. "O título adianta aspectos do proxecto expositivo", explica López Bernárdez a Nós Diario, "refírese aos espazos vitais e, sobre todo, culturais de Colmeiro. E ao seu encaixe, encadramento, neles". Organizadas en cinco seccións, 90 pezas serven para trazar a axitada existencia dun pintor cuxo nome destaca no Movemento Renovador da Arte Galega da época republicana, mais cuxo traballo se desprega ao longo de todo o século XX. Emigrado de cativo á Arxentina, alí recibiu a primeira formación artística. Axiña abandonou os estudos regrados e, canda Demetrio Urruchua, funda un obradoiro independente. "O impacto da Revolución Rusa foi enorme nel. Ao tempo, estaba en contacto cos traballadores do porto. É cando asume a preocupación social, que xa nunca deixaría", considera o comisario. Con estes vimbios regresou á súa Galiza natal. Era 1926 e a arte galega asomábase ás liñas de fractura anteriores á Guerra Civil. "Daquela consolida o seu estilo, vinculado ao Movemento Renovador da Arte Galega e a colegas como Arturo Souto, Carlos Maside, Laxeiro ou Manuel Torres", sinala. O tema social, "mesmo proletario", ou o tema labrego relacionado coa vindicación nacional galega aparecen nos seus lenzos, figurativos e coloridos, en contacto co que Bernárdez chama "realismos modernos". Colmeiro sintetiza neste tempo os elementos fundamentais do seu estilo. A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube
PRAZA_7810
En plena vaga de desafiuzamentos, o Instituto Galego de Vivenda e Solo conta cuns 60 millóns de euros menos que en 2010 para facilitar que a cidadanía poida vivir nun piso protexido
O pasado decembro, en pleno shock social polo salto aos titulares dos suicidios de persoas a piques de seren desafiuzadas, a Xunta anunciaba un plan de medidas paliativas para estes desaloxos. O Goberno galego anunciaba a posta á disposición dunhas 500 vivendas para, en réxime de cesión ou alugueiro, tentar aliviar a situación das persoas desafiuzadas. A propia exposición daquel plan amosaba o seu carácter excepcional, case composto ao ritmo dos acontecementos. Pero, cal é o verdadeiro compromiso do Goberno galego co acceso á vivenda? Segundo os Orzamentos Xerais da Xunta, este compromiso vén descendendo moi significativamente nos últimos anos, nomeadamente, cunha caída de máis do 70% dende 2010. Nas primeiras contas públicas elaboradas polo gabinete de Alberto Núñez Feijóo o programa de "acceso á vivenda", xestionado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), contaba con 84,03 millóns de euros, 13 máis que nos últimos orzamentos do bipartito. Naquel documento orzamentario a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, da que depende o IGVS, explicaba os obxectivos que perseguía con este programa. Entre eles situábase "impulsar o desenvolvemento de solo residencial para a creación de solo con destino preferente á construción de vivendas protexidas" e tamén a "construción de vievenda de promoción pública", xa fose "rematando as vivendas xa iniciadas nos anos anteriores" ou "iniciando novas actuacións". Entre os obxectivos do programa están a construción de vivendas protexidas e as subvencións para potenciar o alugueiro Para as novas vivendas, a Xunta explicaba que ía obter solo "mediante cesión de terreos por parte dos concellos" ou ben botaría man de "solos propiedade ou adquiridos polo IGVS". Cos fondos deste programa impulsaríase tamén a "aplicación da normativa de Calidade e do Código Técnico da Edificación", íanse ofrecer "incentivos para a construción de vivendas protexidas de calidade con destino a alugueiro, especialmente de xente moza e maiores de rendas limitadas", e íase subvencionar "o acceso á compra de vivendas de protección autonómica de nova construción e de vivendas usadas". Do mesmo xeito, prestábase especial atención a "facilitar o acceso á primeira vivenda de calidade a colectivos de ingresos medios e baixos" e a persoas "con especial dificultade polas śuas circunstancias persoais". "Subvencións aos inquilinos que aluguen a súa vivenda no marco do programa de vivenda en aluguer" ou a "erradicación do chabolismo e da infravivenda rural" eran outros dos obxectivos dun programa que na actualidade está lanzado por unha costa abaixo orzamentaria. A tesoira comezou a funcionar nos Orzamentos de 2011, cando deixou polo camiño 34,6 millóns de euros, pasando así de máis de 80 millóns a algo menos de 50. En 2012 subiu levemente, pasando de 49,4 a 49,6, pero en 2013 experimenta unha nova e notable baixada, con tan só 23,6 millóns de euros dispoñibles, segundo o proxecto de contas públicas que se está a tramitar no Parlamento. Esta caída de fondos públicos para o acceso á vivenda prodúcese nun contexto no que, como informou Praza Pública, o solo reservado para vivenda protexida está nun raquítico 7,11% de media no conxunto de Galicia. Tras a derrogación das normas do bipartito só dous concellos, Vigo e Ribadeo, superan o 20% de reserva que establecera o Goberno de Manuel Fraga.
NOS_4607
Os Orzamentos do Estado prevén para 2015 un 8,16% máis no investimento estatal. Porén, Galiza só percibirá un 2,12% máis, o menor incremento após a cidade autónoma de Melilla.
Os Orzamentos do Estado para 2015 foron presentados nas Cortes españolas polo ministro de Economía e Facenda, Cristóbal Montoro, esta terza feira (30 de setembro). Nas contas públicas para este exercicio o Goberno español prevé un incremento do 8,16% nos investimentos territorializados. Porén, Galiza sitúase como a comunidade onde menos aumenta --só o 2,12%-- logo da cidade autónoma de Melilla. O vindeiro ano, o Estado español trasferirá a Galiza 1.385,78 millóns de euros en concepto de investimento, o que sitúa o noso país como o terceiro territorio --en termos absolutos-- con maior orzamento (12,3%). Ora ben, Galiza perderá diñeiro en 2015 na partida destinada á compensación intraterritorial (42.918,38 millóns, un 1,63% menos). Estes fondos están destinados a paliar os desequilibrios entre os territorios. Segundo o executivo de Mariano Rajoy, esta decisións débese a factores de "renda", "poboación" e "saldo migratorio". Fondos de compensación e complementarios para financiar infraestruturas O groso do investimento estatal dirixirase a infraestruturas viarias e ferroviarias. No concreto, ao financiamento da liña de Alta Velocidade. Razón pola que Galiza continúa a ser unha das comunidades con maior aportación económica estatal. Priorízanse pois as liñas de TAV do corredor norte-noroeste, entre elas Madrid-Galiza (Olmedo-Zamora-Ourense-Vigo, por Cerdedo). Tamén así, a liña Ponferrada-Monforte: Lugo-A Coruña e Ourense-Lugo; a liña do Eixo Atlántico e a Variante da Pobra de San Xián (Lugo). Neste senso, o Estado español inviste en autovías, estradas e autopistas, aproximadamente, 30 millóns de euros procedentes dos fondos de compensación (19,34 millóns) e complementarios (10,73 millóns). Aliás, as partidas complétanse con 7,7 millóns para medio rural; 5,16 millóns de abastecementos e distribucións de augas e 7,68 millóns para infraestruturas portuarias.
PRAZA_6616
Quen máis problemas atopa para subsistir son os fogares monoparentais, entre os que tres de cada catro se atopan nesta situación. Os indicadores melloran lixeiramente, pero tres de cada dez asumiron novas medidas de aforro, ao tempo que pasan do 7% ao 11% as familias "con moitas dificultades"
Estamos saíndo da crise? Algúns pode que si, ou pode que algunhas grandes cifras sexan menos negativas do que eran hai un ou dous anos, pero no día a día e no groso da poboación esta recuperación non se percibe. A Enquisa conxuntural a fogares do Instituto Galego de Estatística vén de publicar os datos relativos ao terceiro trimestre, que amosan que seis de cada dez familias galegas continúan recoñecendo dificultades para chegar a final de mes. O 46,24% afirma chegar "con dificultades", e outro 11,94% con "moitas dificultades". En total, un 58,18% de fogares con maiores ou menores problemas para vivir o día a día, cifras moi semellantes ás do segundo trimestre (59,4%) ou ás de hai un ano (57,55%). O dato máis negativo é o dos fogares "con moitas dificultades", que pasan do 7,29% ao 11,94%. Unha costatación de que a crise segue aquí. O dato máis negativo é o dos fogares "con moitas dificultades", que pasan do 7,29% ao 11,94% Analizando os datos polo miúdo, advírtense diferenzas en función do tipo de familia. Mentres que só o 50,37% das parellas sen fillos recoñece problemas económicos, esta porcentaxe elévase até o 58,14% no caso das parellas con fillos, o 62,82% no caso das persoas que viven soas e até un 73,39% nas familias monoparentais, case sempre cunha muller á fronte. Hai algúns indicadores que amosan unha leve recuperación xeral. De feito, as porcentaxes máis elevadas de "fogares con moitas dificultades" déronse nos últimos meses de 2012 e nos primeiros de 2013, con valores por riba do 17%. Nesas datas, ademais a suma das familias en dificultades (algunha ou moitas) superaba o 63%, cinco puntos máis ca na actualidade. Tamén se viu reducindo a porcentaxe de "fogares que non se permitiron ningún extra nos últimos tres meses", que cun 24,86%, cae ao seu nivel máis baixo en catro anos. En 2010 chegou mesmo ao 40%. Case tres de cada tres familias realizaron nos últimos meses novos recortes de gastos. Para eles e elas a crise non escampa De igual xeito, reduciuse o número de familias que adoptaron medidas para recortar gastos. Por exemplo, aqueles que nos últimos meses cambiaron os seus hábitos de compra mercando marcas brancas ou produtos en oferta, son o 28,13% cando hai un ano superaban o trinta por cento e en 2010 chegaron ao corenta por cento do total. En termos semellantes evolucionou a porcentaxe de familias que recortaron gastos e roupa ou transporte, tamén por debaixo do trinta por cento (28,70%). Porén, a realidade é que case tres de cada tres familias realizaron nos últimos meses novos recortes de gastos. Para eles e elas a crise non escampa. Podemos complementar os datos do IGE cos publicados este pasado mes de xuño polo INE na súa Enquisa de Condicións de Vida, que indicaba que o 72,3% dos galegos e galegas recoñecían dificultades para chegar a fin de mes, unha porcentaxe que superaba en cinco puntos á media española (67%) e situaba Galicia entre as comunidades autónomas máis golpeadas pola crise. A evolución era especialmente negativa para aquelas persoas que dicían chegar con "moitas dificultades" a final de mes. Neste caso a porcentaxe incrementárase dende o 9% previo á crise (en 2007), até o 13% do 2012 ou o 17,1% de 2013. Cómpre salientar que as diferenzas entre a porcentaxe de galegos en dificultades ofrecida polo INE (72,3%) e os fogares con problemas económicos do IGE (58,18%) hai que buscalas sobre todo na inclusión por parte do INE dunha categoría de "certas dificultades", na que se cadra se inclúen moitas persoas que non o fan na opción de "con dificultades" do IGE.
NOS_58018
É o primeiro chanzo nas mobilizacións unitarias no ensino que rematarán na folga do vindeiro 12 de decembro.
O texto destaca o empeoramento das condicións de traballo docentes tras os recortes practicados polos gobernos do PP: o incremento das ratios, a desatención á diversidade, os recortes orzamentarios, a perda de máis de mil postos de traballo en secundaria, a redución de apoios e denegación de desdobres e o aumento das itinerancias e da impartición de afíns, entre outras cuestións. O manifesto, subscrito por todas as organizacións convocantes e que será lido durante a manifestación convocada para o día 12, tamén pide a devolución do horario lectivo do profesorado. O documento insiste na importancia de volver aos 18 períodos lectivos en secundaria, "e que permitiría, entre outras melloras, recuperar os máis de 1.000 postos de traballo perdidos coa aplicación da suba aos 20 períodos lectivos decretada por Rajoy no ano 2012", segundo informan os convocantes nun comunicado. No caso de infantil, primaria e educación especial no manifesto sinálase que a recuperación das 21 horas, fronte ás 25 actuais, significaría recuperar un dereito que foi froito dun acordo coa administración galega no ano 2007 e que permitiu reducir as diferenzas entre os distintos corpos docentes e tamén entre as mestras do mesmo centro educativo. Por último, no texto tamén se fai referencia ao desprestixio social da función docente e dos servizos públicos en xeral, "alimentado polas administracións que defenden a súa privatización, á xestión antidemocrática dos centros introducida pola LOMCE e á desgaleguización atroz do ensino público froito das políticas lingüicidadas de Feijóo e do PP na Xunta".
NOS_25182
O anteproxecto de Lei de mobilidade sostíbel defende suprimir liñas deficitarias.
O anteproxecto de Lei de mobilidade sostíbel e a estratexia elaborada polo Ministerio de Transporte abre a porta a fechar aquelas conexións ferroviarias consideradas polo Goberno do Estado deficitarias. Neste sentido, a nova normativa en tramitación estabelece que "ningunha sociedade pode permitirse financiar con diñeiro público trens que vaian baleiros porque iso ten un alto custo de oportunidade e non dá resposta ás demandas de mobilidade da sociedade". A Administración do Estado asume a necesidade de financiar servizos públicos deficitarios por motivos de interese social. Precisamente, grazas a esa doutrina, coñecida no ámbito do transporte como obriga de servizo de público (OSP), en 2017 garantiuse a continuidade de liñas entre Vigo e A Coruña, A Coruña e Ferrol, Ourense e Vigo ou Ferrol e Betanzos. Porén a nova lexislación en tramitación endurece as condicións para acadar a consideración de OSP, o que pode levar ao feche de determinadas liñas actualmente en funcionamento. O BNG denuncia o desinterese do Goberno español para mellorar os servizos ferroviarios galegos O Ministerio de Transporte afirma agora que a OSP debe responder a criterios de "proporcionalidade da intervención pública no mercado, a eficiencia no sistema de transporte, a eficacia e eficiencia na xestión do gasto público, a intervención temporal no mercado, a cooperación e corresponsabilidade coas Administracións públicas, así como a outros principios inspiradores da lei con carácter xeral como son os de transparencia, de rendicións de contas e responsabilidade". A proposta lexislativa do Goberno do Estado indica que "o transporte ferroviario é unha fórmula moi eficiente, tanto desde unha perspectiva ambiental como económica, cando o seu nivel de uso é elevado, pero non o é no caso de niveis moi baixos de utilización: por iso, non adoita a ser a mellor solución para os territorios de baixa densidade de poboación". Na mesma liña, fixa o ano 2028 como data para revisar as liñas en vigor conforme a nova normativa en tramitación, que o Executivo do Estado conta con sacar adiante para comezos do vindeiro ano. A redución de novas liñas ferroviarias na Galiza a partir de 2028 é unha posibilidade que considera a Xunta da Galiza ou organizacións como o sindicato CGT. Precisamente, esta organización vén denunciando nos últimos meses a supresión de determinados servizos no país desde o comezo da pandemia en marzo de 2020.
NOS_32520
Os membros do Colectivo Xea animan a percorrer a zona do Eume.
O concello de Pontedeume está situado na banda sur da ría de Ares. A súa costa esténdese desde a desembocadura do Eume até a praia de Andaío, que comparte co concello de Miño. O litoral está marcado por un relevo que, a non ser na vila e no esteiro, logo acada os 50 m de altitude e está moi próximo ou por enriba dos 20 m en case toda a lonxitude da liña de costa. Estes desniveis, os cantís de rochas que ceden con certa facilidade aos ataques da auga e os materiais que arrastra, o atoparse enfrontado ao mar aberto, a ausencia de abrigos e a proximidade da vía do tren nun bo tramo, mantéñeno illado e asilvestrado polo que é imposíbel facer un percorrido pola beira, mais pódese ter un coñecemento xeral facendo desvíos desde a estrada principal, e pequenas camiñadas, para achegarse aos puntos máis destacados. Partindo da vila, e despois de percorrela, ver o esteiro e o porto e achegarnos ao areal de Sopazos, collemos a estrada a Perbes e a Miño pola costa desde a que, como deseguido gaña altura, podemos gozar de numerosos puntos panorámicos sobre a ría. O primeiro desvío facémolo en Carantoña pola estrada, sinalizada, que baixa á igrexa (podemos deixar o coche antes ou despois de pasar por debaixo da vía do tren) para achegarnos á praia (convén ter en conta a marea porque coa marea alta a extensión do areal queda moi reducida). O segundo desvío facémolo en Vizús para pasar outra vez por debaixo da vía do tren (deixar o coche) e achegarnos á punta Louseira, que ten vistas panorámicas do litoral e da ría e, á esquerda, mais cun acceso difícil, un fenómeno curioso na Furna Furada, na que o rego de Vizús, pouco antes de chegar ao mar, cae por un furado e desemboca por dentro dunha furna á que non se pode acceder sen medios. O terceiro desvío, imprescindíbel, é a baixada á praia de Ber, o mellor areal do concello, o máis coñecido e o máis visitado. O desvío seguinte facémolo en Boebre, onde collemos cara á igrexa e continuamos logo até chegar á beira do mar na punta Camoureda, un promontorio rodeado doutros puntos resistentes, ocos, coídos e pequenos areais que forman un conxunto único. Desde aquí abranguemos por unha banda o litoral desde a punta Cabritas e pola outra o seo das Cales, a punta do Coto e a illa Carboeira, e podemos achegarnos ás praias de Paredes e do Coído. Volvendo cara á estrada principal collemos á dereita, un camiño estreito, asfaltado, para chegar á unha estradiña que, á dereita, nos leva á punta do Coto, ao pé da illa Carboeira e á praia da Ínsua. Volvendo á estrada principal logo chegamos á praia de Andaío-Perbes onde remata o termo municipal. ParaxeRía Ares-Betanzos ConcelloPontedeume Percorrido14 km + camiñadas DificultadeBaixa
NOS_48610
A Xunta traballa nun plan de desescalada para residencias, nas que se completou o 95% da vacinación.
O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, avanzou este sábado que Galiza comezará a vacinar contra o coronavirus a maiores de 80 anos a partir do 22 de febreiro, segunda feira, "se todo vai ben" e non se produce unha "ruptura de subministración". Nunha entrevista coa Radio Galega, que recolle Europa Press, Aboal sinala que se prevé avisar a este grupo de idade "uns días antes", a partir do 17 de febreiro, co obxectivo de comezar a vacinación o día 22. Na pasada quinta feira, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que se traballaba cun calendario de vacinación para este grupo de idade que comezase o 16 de febreiro, pero será uns días máis tarde, segundo o exposto por Aboal este sábado. O titular do Goberno galego marcou como previsión que este colectivo estea inmunizado (tras recibir as dúas doses) a "principios de maio". A este respecto, Aboal apunta que a intención é que en dous meses se complete a inoculación dos maiores de 80 anos. Farase nos centros de saúde nas cidades, así como nas cabeceiras de comarca no rural. A próxima semana chegarán 30.000 vacinas Así mesmo, Jorge Aboal relatou que a próxima semana chegarán á Galiza 30.000 vacinas, unhas 20.000 de Pfizer e 10.000 de Astrazeneca -que só se inxectarán a menores de 55 anos-. Tamén apuntou que o Ministerio de Sanidade trasladou que se prevé que novas vacinas de Novavax e Johnson & Johnson cheguen a partir de abril. Ademais, espérase que entre o segundo e terceiro trimestre deste ano haxa remesas importantes da vacina de Moderna. Descenso de contaxios Todo iso, mentres a curva de contaxios "está a descender" na Galiza, cunha situación epidemiolóxica na que as medidas "están a facer efecto". E é que a incidencia a sete días está "por baixo da metade" das cifras a 14 días. Remarca que seo descenso nos contaxios tarda entre 12 e 14 días en ter repercusión en baixada da presión asistencial. Con todo, asegura que a situación nas UCI está "estabilizada", despois de alcancarse o pico o paso 4 de febreiro con 254 ingresados, polo que agarda que vaian diminuíndo "lentamente". Cribados a 50.000 persoas esta fin de semana Igualmente, Aboal informou de que esta fin de semana van realizar na Galiza cribados a unhas 50.000 persoas. Remarca que funcionan "moi ben", cunha asistencia de entre "o 65% e o 90%". Entre outras probas, na cidade de Ourense faise un cribado a 12.000 persoas (Expourense), así como a outras 12.000 persoas en Santiago e Ames no recito feiral de Amio. Unhas 30 camas para pacientes portugueses Noutra orde de cousas, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas asegurou que hai unhas 30 camas reservadas no Chuvi para atender en "un primeiro momento" a pacientes que poida derivar Portugal, aínda que asegura que aínda non recibiron esta petición. Xunto a isto, valora que o programa piloto de recollida de mostras de saliva para facer probas de coronavirus en farmacias da área sanitaria de Pontevedra está a ter "moi boa acollida". Por iso, se hai unha boa evolución, estenderase ás catro provincias. DomusVi de Carballo, máis de 100 infectados Pola súa banda, o director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antonio Acevedo, informou de que ao redor do 95% das residencias de maiores e persoas con discapacidade completaron a vacinación na Galiza. Nunha entrevista coa Radio Galega, que recolle Europa Press, Acevedo dixo que a Consellaría de Política Social traballa nun plan de "desescalada" para as residencias para remitirá proximamente ao comité clínico. Ese prazo para a súa posta en marcha pode coincidir co marcado para as restricións previstas na Galiza até o 17 de febreiro. Aínda que deixa claro que non se pode "baixar a garda", avoga por "ir retomando espazos de normalidade" para residentes e familias, que "sufriron moito" e "necesitan recuperar parte da súa vida". Serán medidas graduais e non "de cero a cen". E é que Acevedo chama a atención sobre que fai un par de semanas que hai unha "tendencia de descenso" de contaxios nas residencias grazas á vacinación. Preguntado pola situación da residencia DomusVi de Carballo, con máis de 100 infectados entre residentes e traballadores, dixo que está "en estudo" se se corresponde á presenza dalgunha cepa como a británica, pero non existe confirmación. Asegura que se rexistrou un "comportamento un pouco anómalo" pola súa virulencia, pero pon o foco acerca de que na última semana conseguiuse "estabilizar".
NOS_53663
O colectivo de farmacéuticos inspectores, encargados da vixilancia sanitaria, advirten de posíbeis riscos para a saúde dos bañistas.
Na Galiza están máis da metade das praias contaminadas e non aptas para o baño que o informe da Unión Europea sobre a calidade das augas detecta no Estado español, 31 de 58. O Estado español é o terceiro territorio comunitario con máis praias con esa cualificación, lembran os farmacéuticos inspectores. En base á normativa, as praias nas que se detecte unha calidade de auga insuficiente durante 5 anos, son excluídas automaticamente do censo oficial de zonas de baño. Isto implica a prohibición permanente do baño, e a obriga das autoridades sanitarias de informar aos bañistas desta prohibición. Os Farmacéuticos Inspectores de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, encargados da vixilancia sanitaria das praias galegas, advirten do risco que supón o baño nestas praias contaminadas- Este coletivo iniciou o 18 de maio unha greve indefinida para reivindicar melloras na xestión da sanidade ambiental, critican a "pasividade" da Xunta de Galicia na xestión e mellora destas zonas de baño, e desaconsellan o baño en todo caso.
NOS_26698
Propoñemos a persoas con diferentes perfís que partillen coas lectoras de Nós Diario sete cancións para escoitar nestes días de quedar na casa pola crise do coronavirus.
No Nós Diario seguimos coas propostas musicais para quedar na casa e colaborar entre todas a reducir os contaxios de coronavirus no país. Neste caso contamos coa achega de Miriam García de Castro, enfermeira de UCI no Hospital Povisa de Vigo que, como a médica de urxencias Inés López, está na primeira liña todo o ano; tamén en tempos de pandemia pola COVID-19. Indestructibles, de La habitacion roja "Nada ten que ver a temática orixinal deste tema, inspirado na relación do vocalista da formación coa sua muller, coa situación actual que vivimos... pero dalgunha maneira fai que frases tan reveladoras como Caímos como piezas de un dominó / Que alguien que no conocemos colocó me leven a identificar a falsa creencia de que eramos unha sociedade indestructible cada un por o seu lado, independentes... do que agora, dalgunha forma, parece que chegamos a ser mais conscientes: debemos estar unidos ante unha adversidade común coma esta", asegura Miriam. Dinamita, de La Bienquerida "Persoalmente tomo esta canción como unha sinal de empoderamento, decidida a meterme na boca do lobo e a asumir riscos que outras persoas non estarian dispostas. Ben certo é que cando estás estudando na universidade para ser enfermeira sabes onde te estás a meter, aínda que nunca imaxinas que vai a haber unha epidemia mundial na que o teu papel, e o dos teus compañeiros profesionais, vai a ser imprescindible. A fin de contas, nós tamén nos sentimos moi vulnerables, igual que o resto da sociedade, pero non nos queda outra que, con valentía, tirar cara a diante". Punto sin retorno, de Vetusta Morla "Hay un umbral, hay, un punto sin retorno / Sea o no el final, quítame el disfraz. Así comeza a letra deste tema da banda madrileña, punto no que penso nos atopamos desde o comezo deste confinamento no que estamos inmersos, punto sin retorno no que hay que cumprir e non hai lugar ás dúbidas. Cando isto remate todos imos ser la llaga, la venda y el dolor, como di a canción, que como sociedade debemos ser capaces de superar". Lucha de gigantes, de Love of Lesbian e Zahara "Orixinalmente é un tema do gran Antonio Vega, cunha controvertida temática que deixa lugar a diversas interpretacións; neste caso reinterpretada pola banda Love of Lesbian e a cantante Zahara. Hai partes da letra co as que me identifico neste momento actual: Siento mi fragilidad, a miña propia e de toda a sociedade que estamos implicados nisto; corriendo con una bestia detrás, esa bestia que aínda que é invisible, polo momento, parece incontrolable e que vai un paso por diante noso". Talk, de Coldplay "A letra deste tema de Coldplay lévame a pensar que é o que pasará no futuro, a ansia de saber que é o que nos espera mañá. Como se resolverá isto, se isto quedará nun mal soño ou se é o que nos espera pasar en máis ocasións nun futuro e acabará por marcar unha nova liña de actuación nas nosas vidas". Atlantic, de Keane "Canción de 2008 da banda Keane que, persoalmente, é unha das miñas favoritas. Cunha base instrumental que me marabilla e que me evoca moitos sentimentos diferentes. Inmersa nun preludio tenebroso e de soidade coa búsqueda dun lugar no que sentirse acompañado e reconfortado, mentres chega a vellez que remata co inicio dun novo dia e deixando todo o anterior como se de un mal soño se tratara". Fábrica de Luz, de A banda da Loba E por último, as cantautoras galegas de A banda da Loba. "Esta canción pódese comparar coa forma en que se pon en marcha un gran sistema a base de pequenos graniños de area, como todo o que se está facendo entre todos para alcanzar un obxectivo común estes días", di Miriam. Para escoitar todas as cancións seguidas, aquí vai unha listaxe:
PRAZA_17354
As vítimas censuran que a Xunta tentou utilizalas politicamente e que impuxo ao xulgado peritos sen coñecementos ferroviarios, mentres que o presidente prevía eloxiar os servizos de emerxencias autonómicos malia os seus fallos de coordinación
As vítimas censuran que a Xunta tentou utilizalas politicamente e que impuxo ao xulgado peritos sen coñecementos ferroviarios, mentres que Feijóo prevía eloxiar os servizos de emerxencias autonómicos malia os seus fallos de coordinaciónFinalmente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non terá que comparecer na comisión de investigación política agora aberta no Congreso dos Deputados sobre o accidente de Angrois, que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos ás portas de Santiago. Malia que tanto as vítimas como el mesmo, por motivos contrapostos, querían a súa comparecencia, ningún grupo parlamentario o considerou necesario. O seu nome non está nin no listado de 18 comparecentes no que coincidiron todos os grupos políticos e no que si están, entre outros, os ex-ministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor, nin entre as restantes 31 persoas citadas dentro das limitadas cotas ás que tiña dereito cada grupo.As vítimas reclamáronlle a Feijóo en varias ocasións explicacións pola súa actuación política posterior ao sinistro, en particular por varios feitos que consideraron intentos de menosprezalas e utilizalas politicamente, así como pola imposición ao xulgado por parte da Xunta de dous funcionarios autonómicos sen experiencia en materia ferroviaria como peritos para investigar o sucedido. Pola contra, Feijóo sempre se amosou tranquilo ante a posibilidade desa comparecencia, que se tomaba como unha oportunidade de glosar a que di que foi a súa única responsabilidade no sinistro: atender os feridos. Pero tamén nese eido, malia o voluntarismo do persoal implicado, houbo fallos de coordinación sobre os que no seu momento a Xunta evitou facer autocrítica no Parlamento de Galicia e que tampouco agora serán analizados no Congreso.Desde que ocorreu o accidente de Angrois, cada vez que se lle pregunta por el Feijóo pon o foco en que o ministro cando se modificou o proxecto orixinal e se inaugurou a liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o sinistro era o socialista José Blanco, obviando que era a popular Pastor a que estaba no cargo cando Adif autorizou a Renfe a desactivar a bordo dos Alvia o sistema de control constante da velocidade que puido evitar o despiste do maquinista, que non freou a tempo. Feijóo adoita sacar a relucir o nome de Blanco para a continuación salientar que a Xunta, sen competencias en materia ferroviaria, e polo tanto na causa do sinistro, si tivo que asumir as súas consecuencias xa que foi a encargada de atender os feridos que deixou o Alvia.A coordinación por parte da Xunta dos servizos de emerxencias foi mellorable, como evidencia o listado de chamadas e de actuacións do 112 daquela noiteO propio Feijóo avanzou en varias ocasións que, se era citado a comparecer no Congreso, iría encantado a relatar o funcionamento dos servizos de emerxencia de Galicia. Pero malia que o accidente se produciu a catro quilómetros da praza do Obradoiro e na véspera do día grande de Santiago, cun dispositivo especial xa activo na cidade de sanitarios, bombeiros ou policías, a súa coordinación por parte da Xunta foi mellorable. Así o evidencia o listado de chamadas e de actuacións dos servizos de emerxencias do 112 daquela noite, desvelados no seu momento por El País.Profesionais con experiencia de diversos corpos de emerxencias criticaron eivas de coordinación e atrasos atribuíbles á Xunta, que foron paliados pola entrega dos propios profesionais e a axuda de voluntariosNese listado compróbase como a Xunta tardou máis de dúas horas en decretar o nivel de alerta 2, que facilita a chegada ao lugar do sinistro de recursos doutras provincias. O propio camión de comunicacións do 112 que debera facilitar a coordinación in situ nunha crise de tal envergadura tardou unha hora e 46 minutos. E un dos dos helicópteros sanitarios con que conta o 061 informou aos 20 minutos do sinistro que non podía despegar "por unha avaría", ao tempo que ese mesmo servizo de emerxencias sanitarias non era quen de dirixir cara ao lugar as ambulancias dispoñibles en Santiago. Entrada a madrugada, diversos servizos de emerxencias desprazados desde lonxe de Santiago aínda permanecían na zona mentres outros con bases máis próximas xa retornara a elas.Profesionais con experiencia de diversos corpos de emerxencias criticaron esas e outras varias eivas de coordinación atribuíbles á Xunta detectadas naquelas actuacións, que foron paliadas pola entrega dos propios profesionais e a axuda de voluntarios. Porén, cando diversos cargos do Goberno galego compareceron no Parlamento de Galicia para responder ás diversas preguntas que ao respecto formulou a oposición, a súa reacción foi a de evitar a autocrítica sobre a súa propia coordinación e acusar ao resto de partidos e os sindicatos de tentar manchar a imaxe dos profesionais das emerxencias. Agora, Feijóo nin poderá gabar no Congreso a eficiencia dos servizos de emerxencias galegos nin terá que dar explicacións sobre os fallos de coordinación.Críticas das vítimasA Xunta impuxo como peritos ao xulgado que investiga as responsabilidades penais do caso a dous funcionarios autonómicos sen experiencia previa en materia ferroviariaTampouco terá que dar explicacións sobre a principal crítica que lle formula a plataforma de vítimas do sinistro, que a Xunta impuxese como peritos ao xulgado que investiga as responsabilidades penais do caso a dous funcionarios autonómicos sen experiencia previa en materia ferroviaria. Un deles acabou plaxiando posteriormente parte da súa peritaxe da investigación realizada polo Ministerio de Fomento que fixo único responsable do accidente ao maquinista e que foi á súa vez descualificada pola Unión Europea. "Non pode ser que nun accidente no que a administración, a través de Adif e Renfe, está completamente implicada, sexa a propia administración, neste caso a Xunta da mesma cor política, a que poña os peritos para investigar", di Jesús Domínguez, presidente da plataforma. "Xa pasou no caso do accidente do Metro de Valencia, onde o perito xudicial foi o director de Seguridade na Circulación de Adif, o mesmo que agora está imputado en Angrois", engade."Non pode ser que nun accidente no que a administración está completamente implicada, sexa a propia administración a que poña os peritos para investigar", di Jesús Domínguez, presidente da plataforma de vítimasA Xunta argumentou no seu momento que unha norma autonómica aprobada antes do accidente obrígaa a buscar primeiro entre o persoal da administración a posibles peritos para calquera causa xudicial antes de buscalos fóra. Porén, nos catro anos posteriores ao accidente de Angrois o Goberno galego autorizou que 1.357 peritaxes fosen realizadas por expertos externos independentes fronte a 965 que realizaron funcionarios públicos.A plataforma de vítimas de Angrois tamén critica a Feijóo que a partir do ano seguinte ao accidente a Xunta cambiase a data de entrega das Medallas de Galicia, a súa máxima condecoración, que anteriormente se outorgaban o 25 de xullo e que desde aquela pasaron a entregarse o 24 segundo dixo a xeito de homenaxe. Naquel primeiro aniversario a policía impediu que numerosos membros da plataforma de vítimas puidesen entrar ao edificio da Cidade da Cultura no que se celebraba o acto e no que Feijóo entregou un galardón a afectados seleccionados pola Xunta que supostamente actuaban en representación dos demais, ademais de condecorar tamén os servizos de emerxencias que participaran no rescate. A plataforma de vítimas acusou ao Goberno galego de tentar utilizalas politicamente para fotografarse con elas pero sen que se escoitasen as reivindicacións que pretendían lanzar.A plataforma tamén considera que o feito de seguirse entregando as medallas en anos posteriores o día 24 e non volver ao tradicional día 25 contribúe a restar protagonismo mediático aos actos de lembranza dos falecidos no sinistro que organizan elas mesmas na primeira xornada. Tampouco sobre estas críticas terá que dar explicacións Feijóo no Congreso. Ningún grupo o considerou necesario.
PRAZA_6682
O sindicato lamenta "a improvisación" e a "propaganda política" que predominan tanto no Estado como en Galicia en referencia ao ébola.
A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia denuncia que "continúa a ter deficiencias a unidade de aillamento creada no Hospital do Meixoeiro, en Vigo, para tratar posibles casos de ébola". Este, que é a referencia para toda Galicia ante posibles brotes da doenza, "non conta actualmente coas condicións necesarias", segundo o sindicato. "A improvisación e a propaganda política predominan no Estado e en Galicia con referencia ao ébola" Comisións Obreiras lamenta que a "improvisación" e a "propaganda política" predominaron tanto no Estado como en Galicia no referencia ao ébola. No caso galego, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, inaugurou no pasado mes de agosto a unidade do ébola do Meixoeiro. A dita unidade era anteriormente un despacho con mesa e cadeiras que se reconverteu nunha habitación con dúas camas. O sindicato informa, ademais, de que a adecuación do espazo "fíxose sen informar nin formar en condicións os profesionais implicados". "O diñeiro seica prefiren investilo nas súas campañas propagandísticas para xustificar as privatizacións de servizos sanitarios", critica Ángel Cameselle, secretario xeral da Federación de Sanidade de CCOO. Varias concentracións en Galicia solidarizaranse con Teresa Romera e denunciarán a xestión do Goberno central CCOO, xunto a outras organizacións sindicais e colectivos, apoiará a vindeira semana varias concentracións que terán lugar en Galicia para solidarizarse con Teresa Romero, a profesional sanitaria infectada polo ébola, e para denunciar a xestión do Goberno central. Para o luns, día 13, están previstas concentracións en hospitais da Coruña (CHUAC, ás 11:30 h), en Ferrol (Arquitecto Marcide, ás 11:30 h), Santiago de Compostela (Hospital Clínico, ás 11:30 h), Burela (ás 12 h), Lugo (HULA, ás 11:30 h; pendente de confirmar), Monforte de Lemos (ás 11:30 h, pendente de confirmar), Ourense (ás 11:30 h), Vilagarcía de Arousa (ás 12:30 h) e Vigo (Hospital Xeral e Hospital do Meixoeiro, ás 11 h). Para o martes, día 14, haberá concentración ás 11 h no Hospital Provincial e ás 12 h en Montecelo. CCOO esixe información "transparente" para os traballadores e traballadoras da sanidade, para os sindicatos e para o resto da cidadanía. Tamén esixe a dimisión de todos os responsables da «mala xestión» e «deficiente planificación» , tanto no Estado como en Galicia.
PRAZA_15431
Feijóo asegura que a Consellería do Mar indagará nas causas que levaron o helicóptero Pesca I a tardar media hora en despegar para acudir ao rescate da mariscadora falecida en Oia. O Goberno privatizou hai un mes o servizo para os próximos cinco anos.
Dende o pasado 9 de novembro a empresa privada Inaer ten encomendadas as tarefas do salvamento marítimo mediante helicópteros que depende da Xunta. Faino en virtude dun contrato de 30,8 millóns de euros e cinco anos de duración segundo o cal a compañía adxudicataria se ocupa non só das aeronaves, senón tamén da dotación de persoal deste delicado servizo. Apenas un mes despois da formalización deste contrato, o pasado mércores, unha mariscadora falecía en Oia mentres desenvolvía o seu traballo e a propia Consellería do Mar admitía que o helicóptero Pesca I, con base en Vigo, tardou trinta minutos en despegar para acudir ao rescate. Agora o presidente, Alberto Núñez Feijóo, sinala que a Xunta "investigará" se a empresa cumpre co contratado. Segundo o prego de condicións que rexeu esta privatización Inaer ten comprometido un "tempo de resposta" ante as incidencias no mar de "10 minutos" durante os 365 días no ano. Así as cousas, tendo en conta que recibiu o aviso ás 9:10 da mañá -segundo admitiu a Consellería-, o helicóptero tería que estar no aire como moi tarde ás 9:20, pero non fixo o propio ata as 9:40. Sempre segundo a versión oficial isto aconteceu a causa dunha "incidencia puntual" relacionada co período de preparación do persoal da empresa, trinta e tres días nos que rexe un réxime especial de "gardas localizadas" que finaliza o 31 de decembro. A Consellería privatizou o servizo hai un mes cun contrato de cinco anos que establece un tempo de resposta de 10 minutos Malia á asunción inicial dese atraso, Feijóo sinala que agora "é o momento de trasladar o pésame" á familia da traballadora falecida "e de que a Consellería do Mar faga a investigación interna para clarificar se se cumpriron os requisitos" establecidos no contrato. Trátase, segundo o xefe do Goberno galego, de saber "se a empresa cumpre ou non" e de se, "no suposto de gardas localizadas, se cumpre ou non a mobilización que se esixe". Neste contexto, e co novo contrato acabado de asinar para os vindeiros cinco anos, o presidente coida agora que "haberá que reflexionar como ten que ser esa contratación e a disposición" dun salvamento marítimo que, subliña, a Xunta "adicion, con fondos propios, ás competencias do Estado". Mentres, e no inicio do que semella ser un duro temporal, Feijóo chama a "non meterse no mar nun momento de enormes dificultades" e, no caso de ser imprescindible, "que os profesionais extremen as precaucións".
PRAZA_20956
Profesionais advirten da elevada "carga burocrática" que supón o seguimento dos casos de COVID nuns centros de saúde que sofren a falta de recursos e o incremento na atención de problemas psicolóxicos entre os pacientes.
O Consello de Bioética de Galicia advertiu nun informe de hai só unhas semanas do "especial impacto" que a pandemia está a ter na Atención Primaria e da necesaria "reflexión" para "preservar as súas características e valores fundamentais". A presión asistencial e saturación provocada pola COVID, os limitados recursos e persoal, o aumento das tarefas burocráticas ou as limitacións propias do coronavirus relegaron a atención doutras enfermidades, atrasaron actividades urxentes, aumentaron as esperas ou repercutiron negativamente na atención integral propia deste ámbito sanitario, especialmente nos pacientes con patoloxías crónicas. As advertencias uníronse ás que levan anos facendo os profesionais sobre uns centros de saúde que ven lle como rebentan as costuras mentres o foco apunta, loxicamente, á loita contra o virus. O Consello de Bioética pide unha "reflexión" para "preservar as características e valores fundamentais" da Atención Primaria, golpeada pola pandemia"Vai acabar estoupando por todos lados", relata Susana, enfermeira nun centro de saúde urbano durante as dúas primeiras ondas da pandemia e profesional agora na atención hospitalaria a domicilio. "Xa viñamos arrastrando a falta de medios e persoal, sobre todo na Atención Primaria, unha situación que se agravou moito co coronavirus, que parecía para uns meses e xa vai para un ano", reflexiona, facendo especial fincapé na precaria atención dos pacientes crónicos. "Non se fai bo seguimento destes doentes por falta dun persoal que, ademais, tivo que priorizar a pandemia", explica Susana, que entende as queixas dos pacientes pero advirte do "desbordado" dun sistema afectado pola COVID. "Nos picos como os de agora con tanta xente contaxiada, os centros de saúde non dan feito", engade quen, por experiencia, asegura que é imposible "facerse cargo destas persoas como se debe mentres tes que facer o seguimento de casos de coronavirus". "Nos picos como os de agora, con tanta xente contaxiada por COVID, os centros de saúde non dan feito", di Susana, enfermeira"Temos moita carga asistencial e, ademais, moitísima carga burocrática polo COVID, con trámites que son necesarios pero que ocupan ata o 40 ou 50% do noso tempo", relata Pablo Vaamonde, médico no centro de saúde coruñés de Labañou. "Petición de PCR, comunicación de contaxios ou de resultados.... A sensación é de frustración por non facer medicina de verdade", engade. Malia que a Xunta buscou desconxestionar a Atención Primaria a través da Central de Seguimentos de Contactos (CSC), centralizando neste organismo a petición de PCR e o rastrexo de casos de COVID, a realidade bate con forza. "Non está funcionando como debera e a xente acaba recorrendo ao seu médico de toda a vida, que carga coa maior parte do traballo", explica Susana. "Ademais, se sospeitas que fuches contacto ou tes problemas respiratorios, a quen chamas? A un pneumólogo? Ao teléfono do coronavirus? Pois non, a xente chama ao doutor de sempre", exemplifica. Profesionais advirten da elevada carga burocrática relacionada coa COVID: "Sentes frustración por non facer medicina de verdade""O CSC funciona a medias, porque cando hai un positivo, seguímolo nós; a aqueles que no precisan hospitalización, que son a inmensa maioría, chamámolos, atendémolos e resolvémoslles dúbidas", explica Vaamonde, ex-presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec). "O CSC non só non me libera de traballo, senón que mo complica", aclara Xosé María Dios, médico de Atención Primaria en Outes e membro da plataforma SOS Sanidade Pública, que explica que as cuestións burocráticas relacionadas coa COVID supoñen unha importante carga de traballo e crean, a tal hora, "un conflito". "O cambio de protocolos cada pouco provoca que os pacientes tamén che poñan en cuestión as recomendacións", asegura quen di atender unha media de 40 pacientes diarios, a maioría de maneira telefónica, pero arredor do 20% tamén de maneira presencial. O temor ao coronavirus provoca tamén que haxa "menos consultas por cuestións menores" pero, ao tempo, "moita xente que empeora na casa por medo a acudir ao centro de saúde". "Moitos doentes con problemas de mobilidade e moitos con afectación psicolóxica, temor excesivo, actitudes paranoides ou de abuso de ansiolíticos", resume Vaamonde sobre unha problemática moi común. O temor ao coronavirus provoca que moita xente evite acudir ao centro de saúde, onde cada vez hai máis consultas por problemas psicolóxicos"A xente chama menos e, a medida que aumentan as restricións e os casos de COVID, aumenta o medo, a xente rexeita acudir aos centros sanitarios e para moitos, cando o fan, o seu problema xa non ten solución", di Susana, que advirte do "gran risco" que supoñen os efectos colaterais desta pandemia. Tamén na saúde mental. "Aí é terrible; entre a ansiedade, o medo e os problemas económicos, isto estoupará por todos lados", asegura. "Cada día atendo tres ou catro casos relacionados con problemas psicolóxicos: de depresión, ansiedade, insomnio... Todo derivado desta pandemia ou do confinamento", engade Dios, que lamenta "non facer medicina de calidade". Ou polo menos da calidade que desexaría. "Con este número de consultas e a priorización do teléfono, é imposible; moitas veces é tremendo o esforzo por non meter a zoca", di, tras lembrar, tanto el como Vaamonde, que por moito que se priorice a atención telemática, hai moitos casos que só poden ser atendidos presencialmente. Ansiedade, depresión, insomnio ou abuso de ansiolíticos son casos moito máis habituais nas consultas de Atención Primaria desde o inicio da pandemia"Isto está durando moito, tanto para a poboación xeral como para os profesionais sanitarios; é unha sensación de incerteza que aumenta ao ter que resolver moitas cuestións por teléfono", engade Vaamonde, que insiste no "necesario" labor contra a COVID, pero tamén nos problemas que a saturación neste ámbito provoca ao desatender outros. Outra das consecuencias desta presión que a pandemia provoca na Atención Primaria son as continuas demoras. Non é estraño, nin moito menos, que un centro de saúde tarde ata unha semana en dar cita telefónica. "Nin é normal nin pode permitirse, pero ocorre", resumen ambos médicos. Como derivada, a crecente demanda da sanidade privada por parte de xente que "acaba por buscarse a vida". Mesmo para solicitar PCR por sospeita de COVID.
NOS_44556
"Para o PP somos un nicho de negocio co que agasallar a empresas privadas que engordan a súa conta de beneficios a custo de recortar en persoal, en atención e en medios", asegura o colectivo de xubiladas e pensionistas da CIG.
O colectivo de xubiladas e pensionistas da CIG denuncia que para o Goberno de Alberto Núñez Feixoo "os maiores non son un colectivo a tratar co respecto e dignidade que merece quen traballou toda a súa vida por sacar adiante este país". "Para o PP somos un nicho de negocio co que agasallar a empresas privadas que engordan a súa conta de beneficios a custo de recortar en persoal, en atención e en medios", aseguran. Sinalan que, por iso, na Galiza "só o 25% das residencias son públicas e as prazas que hai son tan escasas; é tan difícil acceder a elas e teñen tantas carencias". "As graves deficiencias existentes estámolas vendo agora, nun momento no que, sendo o colectivo máis golpeado pola COVID-19, a consellaría de Politica Social foi incapaz de pór en marcha, desde o primeiro momento, medidas para evitar contaxios entre residentes e persoal", apuntan. E isto sucede, ao seu entender, "porque o colectivo de maiores e dependentes, as persoas máis débiles do sistema, non somos unha prioridade para o modelo económico e de sociedade de Feixoo". Desta maneira, demandan "que non se siga consolidando un modelo de residencias e de atención á dependencia privado que evidenciou como nunca, nesta crise sanitaria, as súas enormes carencias a todos os niveis". Sistema de Axuda no Fogar "As carencias do sistema de dependencia saíron á luz con esta crise, mais non só as das residencias, senón tamén as dunha Axuda no Fogar insuficiente e tan pouco considerada, que as súas traballadoras, na súa inmensa maioría mulleres, constitúen un dos colectivos peor pagados na Galiza", salientan as xubiladas e pensionistas da CIG. Neste sentido, reclaman que tamén o Servizo de Axuda no Fogar teña a consideración que merece, que se recoñeza a enorme importancia do labor que desenvolven, que se dote de medios ao colectivo de mulleres que traballan en axuda a domicilio e, xunto coa secretaría das Mulleres, que pasen a depender do Consorcio Galego de Igualdade e Servizos Sociais. O colectivo de xubiladas e pensionistas da central sindical insiste en que "se valoricen os coidados como un ben social e que se recoñeza, dignifique e respecte ás persoas maiores na Galiza como merecen". Así mesmo, exixe "que se poñan enriba da mesa, nos próximos orzamentos, partidas suficientes para garantir o persoal, os medios necesarios e prazas públicas de residencia abondo en Galiza e, sobre todo, que escenas esgazadoras como as que vimos no último mes non se volvan repetir, pola COVID-19 ou por calquera outra circunstancia". Cazolada o día 10 Este colectivo fai especial fincapé na súa demanda para que os servizos públicos e, nomeadamente os servizos sociais, non se atendan en función da súa rendibilidade económica, senón social. "Unha consideración que nunca deberon perder, porque non queremos ser un nicho de negocio nunca máis", destacan. Fan un chamamento ás familias, ao persoal e a todas as persoas xubiladas e pensionistas, a sumarse á cazolada desde as fiestras de todas as casas, que baixo o lema #QueEscoiten, ten convocada a CIG para a vindeira sexta feira, día 10, ás 12 do mediodía.
NOS_34436
Está é sen dúbida unha das fins de semana máis ateigadas de actividade cultural dos últimos tempos. Para non dar feito!!
Sexta Feira. Caramuxo Teatro Arteixo Auditorio de Arteixo 20.00h A compañía teatral interpretará Feo!, unha comedia para toda a familia onde se realiza un canto á diversidade, inspirada no Parrulo Feo. Sexta feira e sábado. SonRock Ribadeo Parque de San Francisco 22.30h O festival de rock contará coas actuacións de bandas xa consagradas no panorama galego como Raiba e Nao, xunto con Oh Ayatollah! e Paranoi-k. Sexta feira, sábado e domingo FIOT Carballo Remata a quinta feira 29 de setembro. A festa e o humor serán os protagonistas da XXV edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT). Dentro da súa extensa programación contarán coa participación das compañías que marcaran a traxectoria do festival, un total de trinta e catro espectáculos, actividades para crianzas, teatro de rúa, monólogos, música, cabaret e máis. III Festival Intercéltico de Baíña Baíña Torreiro da Festa 21.30h Subirán ao escenario Coribantes de Buchabade, Eikasía, Tis Che Tein, Tradisón, Óscar Ibáñez & Tribo, Coanhadeira, Omiri, e Marta Quintana. Semana das Músicas do Audiovisual A Coruña, Ferrol, Ourense, Santiago Remata a sexta feira 30 de setembro Chega a primeira edición do festival: concertos itinerantes, obradoiros e actividades, contando coa Orquesta Sinfónica de Galicia como protagonista. Sábado De pandeiretas, panos e canto San Sadurniño Casa da Cultura 10.00-23.00h Dinamizar e poñer en valor os diferentes aspectos da tradición é o obxectivo deste encontro de cultura popular galega. A xornada divídense en tres partes: unha exposición, un obradoiro centrado nas técnicas de acompañamento coa pandeireta e concertos a partir das 20.00h, con Suso Vaamonde, as pandeireteiras Lilaina de Miño e o grupo Os Campantes da Baña. As Cores de Outono Encontro de Artes e Música A Pobra do Brollón Casa da Cultura 19.30h Coas actuacións de Peter Punk (circo-clown familiar), Quico Cadaval, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Quico Cadaval e X. M. Budiño. Petiscos Musicais Allariz Fundación Vicente Risco 21.00h Volta o ciclo de música de cámara, o III concerto Aurum Ensemble, con Miguel Álvarez e Elena Domínguez violíns, e Susana Blanco cello. Goza coa túa lingua Portonovo Parque do Espiñeiro 22.00h Bota a andar o I Festival pola Normalización Lingüística, Goza coa túa Lingua, coas actuacións de Sés máis a súa banda, e grupo Quempallou.
NOS_55809
Unhas 4.000 persoas participaron na mañá deste xoves na manifestación convocada pola CIG de Ferrol con motivo da xornada de loita para denunciar a "situación de emerxencia" que padece a comarca, esixir políticas activas de emprego.
Unhas 4.000 persoas participaron na mañá deste xoves na manifestación convocada pola CIG de Ferrol con motivo da xornada de loita para denunciar a "situación de emerxencia" que padece a comarca, esixir políticas activas de emprego e inversións para garantir o futuro laboral e económico da bisbarra. A manifestación estivo precedida de tres marchas de traballadores/as que saíron dende distintos puntos de Narón e Fene para amosar nas rúas o malestar pola falta de cumprimento dos compromisos e reclamar unha aposta clara polos sectores básicos da comarca, como o naval.
QUEPASA_101
Novas novas na rede de abastecemento da Laracha
No marco do proxecto do Parque do Megalitismo, o Concello da Laracha completou a expropiación dos terreos do menhir de Erboedo, tamén coñecido como marco da Anta ou pedra do ghicho. Xa son de titularidade municipal ps 4.651 metros cadrados repartidos en tres parcelas catastrais e cualificadas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como solo rústico de protección integral de patrimonio e solo rústico de protección forestal ou de montes. O Concello continúa así, paseniño, co seu Plan Especial de Patrimonio Cultural para protexer outros seis elementos e ir avanzando na súa adquisición: Castro de Montes Claros, Castro da Pena, Croa de Santa Baia, as Torres de Cillobre e os dous Fornos dos Mouros de Soandres. Mellora da rede de abastecemento O Concello ten en fase de execución un amplo proxecto dirixido a mellorar a rede principal de distribución de auga que dá subministro ao núcleo urbano da Laracha e a outras entidades de poboación próximas á capital municipal. A intervención afecta a un tramo duns trescentos metros de lonxitude a ambas marxes da Avenida Fisterra desde o seu punto de confluencia coa rúa Santiago e ata o lugar das Torres de Cillobre.Foi e será necesario realizar varios cortes de suministro, pero se realizarán en horario nocturno. Eliminada a pasarela do patio do CEIP Alfredo Brañas Paralelamente, durante as vacacións, estanse realizando intervencións de mellora nos tres colexios do municipio de cara á posta a punto para a próximo curso escolar. Unha delas é a eliminación da cuberta que existía na zona do patio do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco, xa que presentaba danos, ecarecía de función .Neste mesmo colexio executarase unha intervención para mellorar as condicións da outra cuberta, a da pasarela que comunica os dous edificios.
PRAZA_1405
Que os tempos cheguen depende de sermos quen de articularen candidaturas de unidade popular para as eleccións xerais e autonómicas.
Os tempos son chegados. A onda do cambio que abaneou os concellos está tomando impulso para chegar aos parlamentos do estado e galego. Palabras que semellaban esquecidas, igualdade, xustiza, participación, esperanza, ben común, retornan, ábrense camiño a través de lousas que intentaban soterralas, lousas de corrupción e desleixo, de palabras intratables como desafiuzamento, paro. Que os tempos cheguen depende de sermos quen de articularen candidaturas de unidade popular para as eleccións xerais e autonómicas A onda do cambio está tomando impulso para converterse nunha marea galega, mais esta marea non é, non será un fenómeno natural: precisa do esforzo solidario das mulleres e homes galegos. Digo das mulleres pois unha auténtica mudanza ten que levar a equidade, a participación das mulleres, na súa cerne. Que os tempos cheguen depende desas vontades compartidas. Que os tempos cheguen depende de sermos quen de articularen candidaturas de unidade popular para as eleccións xerais e autonómicas. Aínda sen seren idénticas, nacen do protagonismo cidadán, do activismo de base, unindo persoas e colectivos que estaban dando as batallas a favor da escola e da sanidade públicas, contra os desafiuzamentos, as privatizacións, a violencia machista Que deberían ter estas candidaturas para ser de veras de unidade, de veras populares? Para entender os seus trazos cómpre mirar ás mareas das municipais do 24M, Marea Atlántica, Compostela Aberta, Ferrol en Común, e outras de vilas e pequenos concellos que sumaron esforzos en condicións moi difíciles. Aínda sen seren idénticas, nacen do protagonismo cidadán, do activismo de base, unindo persoas e colectivos que estaban dando as batallas a favor da escola e da sanidade públicas, contra os desafiuzamentos, as privatizacións, a violencia machista. Despois, nun segundo plano, partidos como Anova, Espazo Ecosocialista, Equo, Esquerda Unida ou Podemos, e nalgúns casos outros como Compromiso por Galicia, apoian as mareas, intégranse nelas, aceptando o liderado cidadán, os procesos de primarias para as listas, o compromiso coas decisións das asembleas. Hai moitas formas de candidaturas populares, porén entendo que as máis xenuínas son as que teñen raíces na iniciativa cidadá, das persoas –sen afiliación partidaria ou con ela– comprometidas co cambio Hai moitas formas de candidaturas populares, porén entendo que as máis xenuínas son as que teñen raíces na iniciativa cidadá, das persoas –sen afiliación partidaria ou con ela– comprometidas co cambio. É un exercicio interesante mirar os programas, propaganda e listas das mareas de A Coruña, Compostela ou Ferrol, e comprobar a case total ausencia de referencias aos partidos que as apoiaban, até o punto de que o 24M houbo moitos casos de votantes que se achegaron ás mesas para preguntar en que candidaturas se integraban uns ou outros destes partidos. Cómpre facer explícito que atribuír un rol secundario aos partidos non significa menosprezar o seu papel, nin as súas traxectorias de resistencia, senón constatar que neste momento histórico o protagonismo corresponde á cidadanía. Por descontado que as persoas que teñen ou tivemos militancia nos partidos formamos parte desa cidadanía. En Galicia a unidade consiste na colaboración entre a cidadanía, os partidos nacionalistas, de ámbito galego e mais os partidos da esquerda estatal Que significa unidade? Mirando de novo ás mareas, eu sosteño que en Galicia a unidade consiste na colaboración entre a cidadanía, os partidos nacionalistas como Anova ou Compromiso por Galicia, e de ámbito galego como Espazo Ecosocialista, e mais os partidos da esquerda estatal como Esquerda Unida, Equo ou Podemos. Isto require que os partidos de ámbito estatal acepten cuestións como o dereito a decidir, e o estado plurinacional. No horizonte das eleccións xerais un obxectivo debe ser a constitución dun grupo parlamentario galego. Aínda que o Bloque Nacionalista Galego non participou nas mareas municipais, eu teño a esperanza de que si participe nas mareas galegas para as eleccións xerais e autonómicas. O camiño non é fácil, mais cómpre xenerosidade e imaxinación. En Toba, en Fisterra, onde mergullei no galego, chaman ás ondas tombos. Eu espero que a onda do cambio sexa un tombo que envíe a dereita a rebolos a un pasado que non debería repetirse. Necesitamos esas mareas galegas. Que os tempos cheguen depende de todas e todos nós.
NOS_9365
Os traballadores temen que a inestabilidade na produción na factoría viguesa de Stellantis poida persistir até final de ano.
A dirección da planta de Vigo do grupo Stellantis (antiga PSA) anunciou esta semana novos paros nas súas liñas de produción como consecuencia dos problemas de subministración pola chamada crise dos 'microchips'. De momento só están confirmados o dos vindeiros 13 e 14 de xuño (domingo e segunda feira), que afectarán aos dous sistemas, tanto o que monta as furgonetas como o que monta os modelos C-Elysée de Citroën e 301 e 2008 de Peugeot. A produción volverá na terza, 15 de xuño, coa incorporación da quenda B en horario de mañá. Xunto a estes paros, a empresa prevé que ambos os sistemas volvan parar na quenda de noite do 23 de xuño e nas quendas de mañá e tarde da quinta feira 24, así como a xornada completa da cuarta feira 30 de xuño. Desde a sección sindical da CUT en Stellantis cren que esta situación de paros intermitentes vai seguir até as vacacións ─a planta fecha en agosto─, mais confía en que nese período que permaneza a factoría fechada, a dirección poida facer provisión de semicondutores para arrincar "con certa normalidade" á volta das vacacións. Con todo, temen que a produción sexa "irregular" de aquí a final de ano. Sobre os novos paros anunciados, o sindicato advirte de que "adiantar datas non garante que se vaian cumprir". De feito, chámalles a atención as datas escollidas e temen que, se ben desta vez cumpriron co preaviso, se toca finalmente traballar nas datas indicadas, aínda non confirmadas, a empresa non avise coa suficiente antelación. Lavado de cara Neste senso, os seus compañeiros da central sindical da CIG denuncian que "as cousas seguen mal", polo trato discriminatorio que reciben as traballadoras e traballadores a tempo parcial, "sen ningún tipo de acompañamento social en todos estes días de parada", e coa empresa "incumprindo a lexislación" no tema dos preavisos. Aínda que desde a CIG recoñecen que desta vez a dirección avisou con tempo, sospeitan que o cambio de actitude pode ter que ver coa denuncia presentada no seu día e coa resolución na que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza lles deu a razón e que a empresa recorreu. "Quererá lavar a cara ante o xuízo e cubrir as formalidades, de aí que agora empece a preavisar", apuntan. O papel da Xunta Esta semana, preguntado no Parlamento pola situación do sector da automoción na Galiza, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, afirmaba a necesidade de apostar no sector e dar amparo e sustento a Stellantis. Mais os traballadores lémbranlle ao titular de Economía que quen está a sufrir as consecuencias da falta de semicondutores non é precisamente a empresa, que vén de marcar 14% de incremento de beneficio con respecto ao ano anterior, senón os traballadores e traballadoras. Neste senso, avogan por empezar a falar de investimentos, de novas plantas de cara ao novo modelo de vehículo, de hidróxeno ou baterías, e animan a Xunta a deixar de lado as subvencións a Stellantis, sen compromisos de emprego ou formación asociados que garantan un futuro ao sector da automoción na Galiza.
NOS_27023
O sábado 31 de outubro desputarase no campo das Cancelas, na capital galega, os encontros das seleccións feminina e masculina.
A selección galega de fútbol gaélico volve ao campo. Aínda co sabor nos beizos da experiencia do mundial desputado en Dubai, e coa vista posta no mundial de Dublín de 2016, o combinado nacional saltará este sábado ao campo de xogo para se enfrontar aos verdadeiros reis deste deporte, Irlanda. A cita vai ser o sábado, 31 de outubro, en Santiago de Compostela, no campo das Cancelas, que quer convertirse nun fortín do equipo do país de Breogán para tentar derrotar ao equipo do País de Cu Chulainn. O primeiro partido será o das seleccións femininas, ás 18:00 horas. Hora e media despois (19:30), decorrerá o xogo dos combinados masculinos. A entrada será de balde, para facilitar a asistencia. A Asociación Galega de Fútbol Gaélico convida e anima a todas e todos a acudir e amosar deste xeito o seu apoio ás seleccións galegas. O fútbol gaélico, de recente chegada a Galiza, está a se expandir ao longo e ancho do país, abrollando novos equipos en diferentes comarcas, nunha dinámica que mesmo sorprendeu en Europa entre os afeccionados a este deporte. Inicios Como lembra a propia asociacioón, "a historia comeza en Ferrolterra, no campo do Cadaval de Narón, o 20 de xullo do 2012. Nese día, rodeados de eucaliptos e fieitos entre os cales aínda debe estar algún dos balóns, debutou a Selección Galega Masculina cunha emocionante vitoria fronte a Bretaña por 5-08 (23) a 3-08 (17)"
NOS_11824
O xurado destacou "a capacidade do autor para narrar visualmente unha historia en imaxes, xa que a colección ten unha narrativa exquisita".
A colección Lume, do fotoxornalista galego Brais Lorenzo, sobre a traxedia dos incendios forestais e as consecuencias do cambio climático, foi seleccionada como gañadora do XVI Premio Luis Ksado de creación fotográfica que convoca a Deputación da Coruña. Parabéns a @brais_lorenzo, gañador do XVI Premio Luis Ksado de creación fotográfica. 📷 Na colección 'Lume', merecedora do premio, o fotoxornalista ourensán narra a traxedia dos incencios forestais na Galiza. pic.twitter.com/I5W9pIsmES— Cultura Depu. Coruña (@DACCultura) June 22, 2022 No seu informe, o xurado destacou do conxunto de fotografías a actualidade do tema, "contado nunha secuencia que visualiza o drama humano e o ecolóxico". "Todo na liña do máis puro fotoxornalismo, onde a narrativa visual fai fincapé nas persoas que viven intres de tensión", engade o informe. O país que xa non sangra auga Para os integrantes do xurado, Lume son doce fotos en cor "que cada unha ten vida propia", ao tempo que destacan que "o conxunto conta unha historia". Subliñan tamén "a capacidade do autor para narrar de maneira visual unha historia en imaxes, xa que a colección ten unha narrativa exquisita que mostra unha proximidade física ao tema non só nos momentos do incendio, senón despois, as consecuencias". O novo mundo: inundacións, secas e lumes O xurado que valorou o total das coleccións presentadas nesta edición estivo presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, e composto por Andrea Costas Lago, Maria Phyliss Salvia Mann, Silvia Omedes Alegre, Judith Prat Molet e Eduardo Rodríguez Ocho.
NOS_28721
A violencia de grupos opositores ao presidente Evo Morales tórnase máis virulenta. O Ministerio de Exteriores denuncia que algúns dirixentes dos denominados 'movementos cívicos' están a levar a cabo un golpe de Estado e tentan tomar a sede do poder Executivo. Cargos institucionais da esquerda e edificios municipais son agredidos.
O Ministerio de Exteriores de Bolivia emitiu un comunicado onde alerta dun intento de golpe de Estado a través dos chamados 'grupos cívicos' baixo o liderado de Luis Fernando Camacho, xefe do Comité Cívico de Santa Cruz, e do ex candidato á presidencia e opositor Carlos Mesa, quen denunciara unha presunta fraude electoral após as eleccións nas que Evo Morales resultou reelixido. O Goberno, a través dun comunicado, denunciou un plan da oposición para tomar a Casa Grande do Pobo, sede do Executivo. Os grupos cívicos e a coalición política da dereita rexeitan, porén, a auditoría internacional que se está levando a cabo en Bolivia desde o 30 de outubro após solicitarse ante o Tribunal Supremo Electoral de Bolivia. Convoco a nuestro pueblo a cuidar pacíficamente la democracia y la CPE para preservar la paz y la vida como bienes supremos por encima de cualquier interés político. La unidad del pueblo será la garantía para el bienestar de la Patria y la paz social.— Evo Morales Ayma (@evoespueblo) November 9, 2019 Morales gañou as eleccións a 20 de outubro e en primeira volta, cuestión que a dereita non aceptou e acusouno de fraude electoral chamando a mobilizacións nas rúas. «Convoco o noso pobo a coidar pacificamente a democracia e a CPE (Constitución Política do Estado Plurinacional de Bolivia) para preservar a paz e a vida como bens supremos por riba de calquera interese político", escribiu o presidente boliviano en Twitter. Violencia contra representantes institucionais do MAS O Goberno denuncia tamén a violencia dos 'dirixentes cívicos' e da oposición que «impulsan» a queima de institucións electorais e perseguen cargos e simpatizantes do MAS (Movemento ao Socialismo). Sexta feira 9 de novembro, foi asaltada e queimada a casa do concello de Vinto, en Cochabamba, e a alcaldesa do MAS, Patrice Arce, foi rapada, botáronlle pintura vermella por todo o corpo e obrigada a camiñar polas rúas da cidade rodeada dunha manchea de opositores e conducida durante quilómetros camiñando polas rúas até que finalmente puido ser rescatada pola policía.
NOS_44234
Desde hai uns días estase efectuando unha nova intervención sobre os restos da fortaleza medieval cos obxectivos fundamentais de mellorar a lectura das estruturas e consolidar aquelas que teñan risco de derrubamento.
A fortaleza medieval coñecida popularmente como Castelo da Lúa localízase no concello de Rianxo, emprazada nun promontorio rochoso do litoral da ría de Arousa coñecido como Punta do Pazo. As obras de construción do paseo marítimo de Rianxo deixaron ao descuberto en 1999 os restos arquitectónicos correspondentes a unha fortaleza edificada no século XIII por Paio Gómez Chariño. A edificación foi atacada polos Irmandiños en 1465 aproximadamente, e reedificada ao pouco tempo por Suero Gómez de Soutomaior, para ser derruída de novo a partir de 1480 polo gobernador real Fernando Acuña. Dende entón até 1532, as ruínas do castelo foron empregadas como cárcere, até que nese ano se lle concede a xurisdición ao arcebispo Alonso II de Fonseca, novo señor de Rianxo. A partir desa época, os restos da fortaleza foron espoliados até desaparecer a case totalidade das súas estruturas visibles en superficie. Co fin de coñecer mellor esta construción, así como o seu entorno máis inmediato, no ano 2001 levouse a cabo unha intervención no xacemento. Esta deixou ao descuberto parcialmente o solar da fortaleza, documentando o trazado das dúas liñas de muralla, a base dunha torre central e restos de paramentos correspondentes a distintos momentos de uso. Ao ano seguinte, en 2002, o castelo foi de novo obxecto dunha intervención orientada fundamentalmente a traballos de desescombro da área. Xa no ano 2007 o Castelo da Lúa foi obxecto dunha nova actuación cuxos resultados permitiron profundizar no coñecemento da configuración exacta da fortaleza, así como adoptar as medidas necesarias para garantir a estabilidade e conservación das súas estruturas. Con esta finalidade, dende hai uns días estase efectuando unha nova intervención sobre os restos da fortaleza medieval cos obxectivos fundamentais de mellorar a lectura das estruturas e consolidar aquelas que teñan risco de derrubamento. Os traballos son a plasmación dun proxecto elaborado por un equipo interdisciplinar composto polo arqueólogo Mario César Vila, director do proxecto, Gonzalo Buceta Bruneti, conservador e restaurador, Laura García Couto, conservadora e restauradora, e Marcial Rodríguez, arquitecto. O proxecto, que contará cunha segunda fase na vindeira primavera, conta cun orzamento de algo máis de 200 mil euros, subvencionado polos fondos Feder e coa colaboración Concello de Rianxo.
PRAZA_1484
O Parlamento aproba por unanimidade a Lei de Dereitos e Garantías dos Enfermos Terminais, que suporá unha mellora das condicións dos e das pacientes, e tamén un importante apoio para o traballo dos e das profesionais. Falamos con Carmen Acuña (PSdeG-PSOE), impulsora da norma.
O Parlamento aprobou este luns por unanimidade a Lei de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais, unha norma que vén encher o baleiro legal existente na cuestión e que, a través de distintas medidas e protocolos, axudará a mellorar as condicións dos e das pacientes, asegurando unha morte digna. De igual xeito, a lei constituirá un importante apoio para o traballo dos e das profesionais. A nova norma, que recolle as recomendacións realizadas pola Comisión Galega de Bioética, define e reforza a sedación paliativa e a sedación na agonía, elementos xa habituais na práctica clínica das unidades de coidados paliativos. Ademais, estende e garante estes coidados a todos os centros sanitarios do país, e impulsa medidas de formación continua para que todos os e as profesionais teñan a mellor preparación ao respecto. A lei, impulsada nun comezo polo PSdeG-PSOE a través da deputada Carmen Acuña, suscitou unha unanimidade pouco habitual entre os e as parlamentarias. A lei, impulsada nun comezo polo PSdeG-PSOE a través da deputada Carmen Acuña, suscitou unha unanimidade pouco habitual entre os e as parlamentarias Acuña afirma que a lei "sitúa a Galicia á vangarda nas garantías dos dereitos das persoas" e salienta o avance que a norma supón tanto para os pacientes coma para os profesionais, que agora vén garantidos os seus dereitos e protexido o seu traballo. "Dábase un paradoxo" -explica- "pois en Galicia temos un rexistro de instrucións previas -ti podes definir como queres que te traten ao final da túa vida-, pero non había lei ou garantía ningunha que obrigase a que puideses recibir eses coidados que ti decidiras". De igual xeito, a parlamentaria comenta que no caso dos profesionais, a maior parte das medidas e protocolos que se prevén na lei xa se viñan realizando de forma habitual na práctica diaria, "pero o persoal sanitario non tiña un respaldo legal ante unha hipotética denuncia". A ausencia dunha lei específica condenaba a pacientes e profesionais a unha certa "clandestinidade". "En Galicia temos un rexistro de instrucións previas: ti podes definir como queres que te traten ao final da túa vida, pero non había lei ou garantía ningunha que obrigase a que puideses recibir eses coidados que ti decidiras" O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Miguel Santalices, destacou pola súa banda que a norma "procura unha boa morte na que a dor e o sufrimento se reduzan mediante uns coidados paliativos axeitados, cuestións que serán de obriga para os profesionais", en referencia á non inclusión de cláusulas de obxección de conciencia para a aplicación de ningún dos tratamentos previstos. Santalices destacou que "a cidadanía demanda calidade na morte e nos temos que dar resposta a esa demanda a través dun contexto ético e xurídico", A norma segue o ronsel aberto por Andalucía, que conta cunha lei que en boa medida serviu de modelo á proposta socialista e ao texto finalmente aprobado. Tamén Aragón e Navarra contan con normas que regulan esta cuestión. Pola súa banda, Euskadi abandeira o debate sobre a despenalización do suicidio asistido; hai dúas semanas a cámara vasca aprobou unha proposición de lei presentada polo PSE (e que contou co apoio de PNV, EH Bildu e UPyD e a única oposición do PP) na que se solicita ao Congreso a modificación do Código Penal para acadar a despenalización do suicidio asistido. Así mesmo, Euskadi comprometeuse a colaborar cos parlamentos das demais comunidades para levar este debate ao primeiro plano de cara ás eleccións xerais de outono. Euskadi abandeira o debate sobre a despenalización do suicidio asistido "É importante poñer enriba da mesa o debate sobre a morte. Hai moito runrún sobre a eutanasia e antes ou despois será un debate que teremos que dar", afirma Carmen Acuña a este respecto. De feito, recoñece que á hora de iniciar o trámite deste texto legal, o PSdeG-PSOE dubidou "se presentar unha lei máis esixente ou se ir paso a paso". "E optamos por isto último: aprobar esta lei e que despois a sociedade vaia avanzando neste camiño, cara á posibilidade do suicidio asistido", di. En calquera caso, destaca que "conseguimos introducir algúns elementos na lei, de carácter aberto, que seguro que poderán ser aproveitados polos profesionais de coidados paliativos, que son os que van marcando a pauta". "É importante poñer enriba da mesa o debate sobre a morte. Hai moito runrún sobre a eutanasia e antes ou despois será un debate que teremos que dar" Acuña salienta que se trata dun primeiro paso "importante" na defensa dos dereitos das persoas ao remate da súa vida, pero que ten como obxectivo final "aprobar unha Lei estatal que determine unha carteira de servizos mínimos no Sistema Nacional de Saúde". Subliña que, de forma inmediata, o máis importante é a difusión que se lle dea a esta lei e ás posibilidades que introduce. "Ata agora xa dispoñíamos en Galicia dun rexistro de instrucións previas, pero moita xente non o coñecía, polo que a súa aplicación era limitada", comenta. "Por iso é tan importante que esa lei que hoxe aprobamos se dea a coñecer", engade. A Asociación Dereito á Morte Digna, que se atopaba representada este luns no Parlamento por algúns dos seus membros, xa anunciou que axudará á difusión da nova norma.
NOS_36825
O portavoz nacional da organización frontista, Xavier Vence, asegurou que o BNG solicitará que a Fiscalía estude "o proceso de toma de decisións" que deveu na poxa de NGB porque, di, podería existir un posíbel delito de "prevaricación e malversación". A fronte convoca mobilizacións o vindeiro 28 de decembro contra "o espolio de NGB".
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, avanzou esta segunda feira, en conferencia de imprensa, que a organización frontista solicitará á Fiscalía que estude o "proceso de toma de decisións" inherente á venda de NovaGalicia Banco. Para @s nacionalistas, existen "moitos indicios" que evidenciarían un eventual delito de "prevaricación e malversación" no proceso de toma de decisións da venda da entidade ao se estar a favorecer, explicou Vence, á banca española face os fondos de investimento. Así as cousas, Vence salientou que a aposta do BNG continúa a ser a transformación de NGB nunha entidade financeira pública. Vence apunta a un posíbel delito de prevaricación pola venda anticipada de NGB e á malversación polo "desfalco" ao erario público dos 2.260 millóns en exencións fiscais Para a organización frontista, o posíbel delito de prevaricación resultaría de "tomar, a sabendas, unha decisión en contra dos intereses dos contribuíntes e de Galiza" como é "a venda anticipadada no peor momento posible" e "a malversación polo "desfalco" ao erario público que suporía non computar no prezo de venda 2.260 millóns de euros en exencións fiscais", sinalan. Neste senso, o líder do Bloque indicou que a súa formación xa está a recoller argumentos xurídicos que avalan as súas hipóteses mais, indicou, agardarán a que se consume a venda de NGB para que se confirmen. Así, de gañar a poxa unha entidade bancaria española, denunciou Xavier Vence, consumarase a "colonización financeira de Galiza" pois NGB abrangue perto da metade do aforro d@s galeg@s. Entre as entidades que queren facerse con NGB están La Caixa, Santander e BBVA, un proceso de venda que para @s nacionalistas continúa a se caracterizar pola súa "opacidade e falla de transparencia". Manifestacións nas comarcas do país o 28 de decembro Aliás, o voceiro nacional do BNG criticou a actitude da Xunta de Galiza face o que coidan é un "espolio". Asemade, desde a organización frontista lamentan que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, non sexa capaz de "defender os intereses de Galiza". Por iso, chaman a toda a cidadanía, "a todas as forzas políticas, axentes sociais e económicos" a se mobilizaren o vindeiro 28 de decembro contra o "roubo" dunha entidade que, reiterou, "é sistémica para Galiza".
QUEPASA_854
Faltan 4 xornadas e as nosas guerreiras seguen dando o do de peito. Os dous equipos costeiros sacaron os seus partidos fóra da casa pola mínima. Moito mérito o das Miúdas, que se manteñen como o equipo máis en forma da categoría trala súa 6ª vitoria consecutiva. As de Fer e Fran seguen a 6 puntos dun Boiro que non falla, pero o soño do ascenso non deixa de pasar polas noites das costeiras.
Polo Norte, o Bergan sufriu da cancha dun dos pechacancelas, nun choque no que a falta de acerto (as de Gueli tiveron ata 22 saques de esquina) fixo perigrar os tres puntos. Puntos que as meten na 7ª praza, aínda con opcións que alcanzar ao Touro. 2ª División, Gr. 3, xornada 22 Resultado: Puentearnelas - As Miúdas (0-1) As MIúdas: Yaiza, Paula, Isa, Martina, Antía, Laura, Leti, María Dosil, Bárbara, Marta e Pati Entraron: Sandra, Gala, Eva e Iria Gol: 0-1, m.22: Bárbara. As Miúdas celebrando o tanto-Foto-Chema Caamaño Un duro combate o que superou o cadro muradán o domingo. Dominaron a poesión pero o cadro local, ben posicionado, mantiña unha defensa intensa e aguerrida que bloqueaba os intentos de ataque dunhas Miúdas que acumulaban xente en campo rival. O único gol do encontro chegou no minuto 22, unha boa internada pola esquerda de Bárbara que define a media altura pero topa co rexeite da meta local, e na area anticípase ás zagueiras María Dosil para enviar á rede o gol que sería definitivo. Na reanudación intentaron as arousanas dar un paso adiante, pero só foi eso, un intento, posto que a zaga pesca estivo a un nivel de concentración por riba da media e fixo que Yaiza tivese unha tarde máis que tranquila. Só no treito final, case á desesperada, as locales sumaron xente arriba para colgar balóns, pero lonxe de poder acadar o empate as de Muros puideron ampliar a renta en varios man a man que Bárbara non tivo a claridade de outros envites para concretar. 2ª División, Gr. 2, xornada 22 Resultado: Bandeira - Bergantiños (0-1) Bergantiños: Lara Sánchez, Eva, Fra, Seo, Sabrina, Lore, Martasa, Mery, Canosa, Noe e Tamy. Tamén xogaron: Lara Rabuñal, Paula, Carla, Tania e Laura Torrado. Gol: 0-1, m.40: Mery tras un córner. O acoso bergantiñán non tivo o seu reflexo no marcador. As de Gueli non estiveron afiadas e se a meta Lara Sánchez apenas tivo que intervir, a porteira local foi unha das protagonistas. Na primeira parte Mery, Noe e Tamy disporían de claras ocasións pero non estarían acertadas de cara a gol, aínda que todo facía presaxiar que o gol chegaría en calquer momento. O Bandeira poría moito empeño en crear ocasións pero a zaga carballesa estaría moi segura durante todo o partido. Pouco antes do descanso Mery remataba a gol un dos 22 córners, botado nesta ocasión por Fra. Na segunda metade mais do mesmo, un Bergantiños xogando en campo rival e un Bandeira defendendo con uñas e dentes e aproveitándose do desafortunio ofensivo das xogadoras de Gueli. As ocasións chegarían de tódalas maneiras pero nin Fra, nin Canosa, nin Carla Pose (na foto), que debutaba despois de fichar esta semana procedente do Corme, tendo unha gran actuación, non estarían acertadas. Todas as novidades do FutFem A quinta vitoria seguida que permite soñar. Apretando ao líder na súa casa. Sumando.
NOS_49576
As asociacións Os Biosbardos, Amigos da Canceira de Ordes e Progape de Ourense fan saber a Nós Diario como axudan dentro das súas posibilidades a que "os peludos non pasen tanto frío".
Co paso da borrasca Filomena e as súas temperaturas baixo cero, a Galiza tivo que facer fronte ás baixas temperaturas tirando de luvas, bufandas, gorros e todas as prendas de roupa precisas. Pero non todos os habitantes do país poden desfrutar da calor que dan as capas de roupa. Os animais a intemperie non posúen abrigos nin calcetíns que os protexan das xeadas que se están a dar en moitas comarcas da nosa terra e, como con eles non podemos comunicarnos directamente, preguntamos a aquelas persoas que os protexen para saber como están a combatir este tempo. As asociacións Os Biosbardos, na parroquia de Arcos, no concello de Ponteareas; Amigos da Canceira de Ordes e Progape de Ourense fan saber a Nós Diario como axudan dentro das súas posibilidades a que "os peludos non pasen tanto frío". No Monte da Picaraña, en Arcos, viven, con temperaturas que chegan os 4 graos negativos, os 80 cans que están nas instalacións privadas dos Biosbardos. "Co frío que fixo aqueles días o primeiro que tiñamos que facer ao chegar era romper a capa de xeo que se formaba nalgúns recipientes de auga; mesmo chegamos a estar sen auga da traída durante 7 horas porque se conxelou a tubaxe que vai até as instalacións", conta Lucía Pérez, voluntaria. Ante esta situación e para que os animais pasen o menos frío posíbel, as voluntarias enchen con papeis de xornal, cartóns e mantas as casetas dos cans, "aínda que non todos entenden que esas mantas son para taparse e algúns cans acábanas por esnaquizar", comenta Lucía. Por sorte, nesta protectora ponteareá, as doazóns de mantas chegan acotío, o que lles permite "ter o almacén bastante cheo de mantas para todos". Non teñen a mesma sorte os sete cans que están nas instalacións municipais de Ordes. A asociación de Amigos da Canceira desta vila encárgase de xestionar as adopcións dos peludos que alí chegan, tentando sacar aos máximos posíbeis xa que "esas instalacións non están en condicións para que os cans pasen moito tempo alí", comenta a presidenta da asociación, Salomé Regos. Ademais, nin tan se quera con temperaturas mínimas como as que se están a dar, "non nos permiten pór mantas nin papeis, polo que os pobres dormen sobre unhas táboas que pon por riba do cemento". Dentro do malo, "os que están alí son cans de gran tamaño, polo que poden resistir algo mellor este tempo que os cadelos", apunta Salomé. Á espera de obras Tampouco teñen as mellores instalacións na canceira municipal de Ourense, onde a Protectora de cans e gatos (Progape) ten un convenio co concello para poder xestionar ese espazo, mais levan máis de tres anos esperando a que o Goberno leve a cabo as obras precisas para que a canceira sexa adecuada segundo a lei de protección animal do ano 2017. A presidenta da asociación, Area Cid, coméntanos que os 230 cans e 50 gatos da protectora si teñen mantas para poder cubrirse, aínda que, ao igual que Os Biosbardos, "tamén se volven tolos con elas e acaban por esnaquizalas, sobre todo se están en grupo". Pero de pouco valen as mantas se "temos muros que están feitos por redes de plástico, por onde pasa todo o frío, ou se falta o tellado das instalacións, onde temos os gatos". Xa sexan do norte ou do sur os "peludos" das protectoras pasan este frío inverno da mellor maneira que lles pode facilitar as súas voluntarias. Todas elas concordan co mesmo, adopten, non compren. Quer adopción quer acollida ou acollida definitiva –modalidade que ofrecen as protectoras onde se fan cargo dos gastos económicos dos animais enfermos–, "estes animais merecen ter unha casa quentiña onde pasar os seus días e seguro o agradecerán con todo o cariño que son capaces de dar".
NOS_50549
A presidenta da asociación Se Hai Saída, Marta Rodríguez Engroba, alerta do funcionamento da Comisarían da Policía Nacional de Lugo a respecto das vítimas da violencia de xénero. Unha situación que a levou a solicitar unha reunión coa subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez.
"Era unha comisaría normalizada, onde as mulleres podían acudir a pedir consello sen ningún medo porque ían ser atendidas con agarimo". Así lembra Marta Rodríguez Engroba, presidenta da asociación contra a violencia machista Si Hai Saída, o funcionamento da Policía Nacional española en Lugo. Denuncia que situación mudou, hai "un par de anos", coincidindo co "cambio de responsábel da comisaría, detectando que non todos os policías aos que implicaban nesta actividade de combater a violencia de xénero facíano de bo grado". "Constatamos que volvemos a ese concepto de institución machista, fechada, na que só teñen cabida os colectivos de ben, sen ter en conta unha asociación como a nosa que o único que esixe é unha atención correcta ás vítimas de xénero, unha protección á que teñen todo o dereito", afirma Marta Rodríguez Engroba, que solicitou unha reunión coa subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez. A representante da asociación responsabiliza das mudanzas no trato ás mulleres vítimas da violencia machista o actual comisario da Policía, José María Estebán Corral e lembra que nos inicios da asociación a "integración coa policía foi estupenda, naquel momento dirixida por unha persoa moi implicada coa violencia de xénero". O comisario nega a interlocución, segundo Engroba Nestes momentos, Engroba asegura carecer de interlocución co comisario e lamenta que non lle permita acompañar as vítimas como presidenta da asociación. "Suponse que estamos todos traballando cun fin común, que é axudar as mulleres, e o comisario debería de falar connosco. Porén, desde que chegou a Lugo díxonos claramente que non ten tempo a reunirse connosco", asegura. A activista lembra unha denuncia que presentaron contra ela desde a comisaría por "revelación de segredos" no acompañamento a unha vítima. "Teño unha profesión e unha actividade laboral relacionada ademais con datos confidenciais de persoas". "Imos pensar un pouquiño coa cabeza, polas repercusións que unha denuncia de tales características pode traer", afirma Engroba. "Eu tamén teño unha familia, tamén teño unhas relacións persoais e unha denuncia como revelación de segredos non pode ser que poña en dúbida o traballo dunha asociación que leva máis de seis anos por e para as vítimas, e non para conseguir subvencións, nin para saír nas fotos e alcanzar notoriedade", conclúe a presidenta de Si Hai Saída.
NOS_6975
Un estudo dos investigadores Juan Gabriel Rodríguez, Raquel Sebastián e Juan César Palomino avalía o impacto das restricións. Na Galiza as peor paradas son aquelas personas que xa vivían por debaixo do limiar da pobreza.
As persoas traballadoras galegas que se atopaban antes da crise da Covid-19 por baixo do limiar da pobreza son tamén as que máis sofren as restricións para frear o seu avance, até o punto de perder 22% dos seus salarios. Así se desprende dunha investigación levada a cabo por Juan Gabriel Rodríguez e Raquel Sebastián (Universidade Complutense) e Juan César Palomino (Universidade de Oxford) na que constatan que as medidas de distanciamento social e confinamento deseñadas para combater a propagación da Covid-19 están a crear un incremento xeral da pobreza e a desigualdade. Segundo as persoas que elaboraron o informe, estas medidas están a provocar un efecto económico desigual sobre os traballadores, en función da súa industria e ocupación. Así, nun escenario de dous meses de confinamento unido a de meses de fechamentos parciais, estiman que a porcentaxe de persoas traballadoras cuxa renda caeu por baixo da liña de pobreza aumentou do 25,6% ao 36,2% no Estado español. Ademais, engaden que as persoas que con rendas baixas antes da Covid-19, sofren as maiores perdas salariais, como no caso da Galiza. As expertas detallan que o impacto da pandemia é desigual por territorios. Así, por exemplo, a maior porcentaxe de pobreza e desigualdade rexístrase nas Balears e nas Canarias mentres que no extremo oposto atópanse Nafarroa e Estremadura. Na súa investigación alertan de que, en ausencia de medidas compensatorias, a pobreza e a desigualdade aumentaron en todo o Estado, especialmente nos territorios con máis peso do turismo, fronte a outros nos que as ocupacións esenciais (sector primario) ou con posibilidades de traballo, non foron tan acusadas. En canto ao incremento da desigualdade salarial, ambos os arquipélagos son tamén os máis afectados cun aumento estimado da desigualdade de 5,3 (Balears) e 4,6 (Canarias) puntos no índice Gini. No outro extremo, figuran Nafarroa (2,3), Asturias (2,7) e A Rioxa (3,0). No que atinxe á perda salarial das persoas que xa se atopaban por baixo do limiar da pobreza, Balears (24,8%), Cantabria (23,5%), Madrid (23,4%), País Valenciá (23,2%), Galiza (22,0%) e Euskadi (21,8%) son as que máis sofren.
PRAZA_5893
Xosé Veiras publica no blog Un claro no bosque unha análise da importancia económica das abellas para as producións agrarias, na que critica os efectos dos insecticidas nas abellas, e defende a agricultura ecolóxica.
Xosé Veiras publica no blog Un claro no bosque unha análise da importancia económica das abellas para as producións agrarias, na que critica os efectos dos insecticidas nas abellas, e defende a agricultura ecolóxica. Son moitas as ameazas para a soberanía alimentar e a conservación da biodiversidade en Galicia e no resto do mundo. Unha das máis preocupantes é o declive das abellas e outros insectos polinizadores. Segundo a Asociación Galega de Apicultura, a mortandade anual das abellas melíferas en Galicia pasou dun 9-10% anual a un 30-40%. A polinización é fundamental non só nos ecosistemas naturais senón tamén na agricultura. Paradoxalmente, a agricultura, ao se industrializar, converteuse nunha das causas principais da desaparición progresiva dos insectos polinizadores dos que depende. A polinización é fundamental non só nos ecosistemas naturais senón tamén na agricultura. Paradoxalmente, a agricultura, ao se industrializar, converteuse nunha das causas principais da desaparición progresiva dos insectos polinizadores dos que depende Un 90% das plantas silvestres con flores necesitan de insectos que as polinicen para dar sementes e froitos. A maioría dos cultivos dependen en maior ou menor medida da polinización. Para algúns, como o kiwi, a cabaza, a cabaciña e o melón, é tan esencial para a maioría das súas variedades que, sen animais polinizadores, a produción redúcese máis dun 90%. A polinización é un dos servizos básicos para o benestar humano que a natureza nos proporciona de balde. Son moitas as especies animais polinizadoras, mais entre elas destacan os insectos, nomeadamente os himenópteros, isto é, abellas, abesouros, avespas e formigas. Na Península Ibérica viven unhas 9.500 especies de himenópteros polinizadores. É cada vez máis valorado o importante papel das abellas melíferas na polinización, mais todos os polinizadores, incluídas as abellas silvestres, son fundamentais para a manutención dos hábitats naturais e a produción alimentaria. A polinización, un servizo impagábel da natureza Para nos decatarmos mellor da súa importancia, a miúdo ignorada ou menosprezada polo simple feito de non ser valorada polo mercado, pode ser de utilidade estimar o seu valor monetario A polinización é un dos servizos de regulación dos ecosistemas. O seu valor é inmenso e non se pode reducir a cifras monetarias. Mais para nos decatarmos mellor da súa importancia, a miúdo ignorada ou menosprezada polo simple feito de non ser valorada polo mercado, pode ser de utilidade estimar o seu valor monetario, en concreto para a agricultura. É o que vén de facer Greenpeace para as diferentes comunidades autónomas do Estado español, baseándose nunha metodoloxía proposta pola FAO. Segundo o informe Alimentos bajo amenaza, a polinización por insectos supuxo para a agricultura galega un valor monetario de máis de 130 millóns de euros en 20111. Unha cifra conservadora, pois no cálculo excluíronse os cultivos que non consumimos directamente (forraxes, prados) e as hortas familiares. As producións galegas máis vulnerábeis á perda de insectos polinizadores son as de kiwi, castaña e mazá. O mel "podería verificar unhas perdas de produción importantes perante o declive das abellas melíferas". Galicia é a quinta comunidade autónoma española máis vulnerábel á perda de insectos polinizadores. Os insecticidas están acabando cos insectos polinizadores A polinización por insectos supuxo para a agricultura galega un valor monetario de máis de 130 millóns de euros en 2011 A progresiva desaparición de abellas e outros insectos polinizadores obedece a un conxunto de causas diversas que actúan de xeito conxunto ou illado: perda de hábitats, parásitos e doenzas, especies exóticas invasoras, mudanza climática e prácticas da agricultura e a silvicultura convencionais, en particular o uso de praguicidas. En 1994, o sector apícola denunciou por primeira vez os prexuízos para as abellas detectados en Francia por causa do uso dun insecticida de tipo neonicotinoide. Tiveron que pasar case dúas décadas para que a UE prohíbise catro insecticidas perigosos para as abellas melíferas. Unha prohibición serodia, temporal (en principio por só dous anos) e con excepcións, ás que se acolleu o Goberno español para autorizar recentemente o uso de dous deles durante 120 días en determinados cultivos (o do fipronil no cultivo de patacas e o do tiametoxam no de mangas). A prohibición decretada pola UE é un avanzo, mais cómpre non esquecer que 319 dos 2.400 insecticidas rexistrados no Estado español son demostradamente perigosos para as abellas As abellas e outros insectos polinizadores están hoxe expostas a un coctel químico tóxico que provoca mortandades masivas, alén de efectos subletais e crónicos. A prohibición decretada pola UE é un avanzo, mais cómpre non esquecer que 319 dos 2.400 insecticidas rexistrados no Estado español son demostradamente perigosos para as abellas, como se indica nas súas propias fichas. Os máis preocupantes son sete, entre os que se achan os catro afectados pola prohibición europea. A restrición do seu uso é prioritaria. Entre 1990 e 2010 o consumo de insecticidas en España incrementouse nada menos que nun 56% (en kilos de ingrediente activo). Non fomos capaces de atopar datos para Galicia, mais é seguro que tamén no noso país o incremento do seu uso foi importante no mesmo período. O indicador sobre o consumo de produtos fitosanitarios (insecticidas, funxicidas, herbicidas e outros) incluído entre os indicadores ambientais do Sistema de Información Ambiental da Xunta, apunta unha tendencia ao aumento desde 1997 até 2010, atinxíndose o cénit en 2008. A agricultura ecolóxica é a solución Entre 1990 e 2010 o consumo de insecticidas en España incrementouse nada menos que nun 56% (en kilos de ingrediente activo) A xuízo de Greenpeace, a defensa da polinización pasa, en último termo, por facer da agricultura ecolóxica o modelo predominante de agricultura. Por iso, defende o estabelecemento dunha folla de rota para "incrementar a 7,6 millóns de hectáreas (o 30% da superficie agrícola española) a superficie adicada á agricultura ecolóxica en 2020, e para que antes do 2050 a agricultura en España sexa 100% ecolóxica". En Galicia, a superficie inscrita no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica ascende a 15.671 hectáreas (2013), das cais unha parte son terreos forestais. A superficie agraria dedicada á produción ecolóxica representa tan só pouco máis do 1% da total. A xuízo de Greenpeace, a defensa da polinización pasa, en último termo, por facer da agricultura ecolóxica o modelo predominante de agricultura Greenpeace lanzou unha ciberacción para demandar ao Goberno estatal que protexa as abellas e apoie decididamente a agricultura ecolóxica. Unha campaña desenvolvida en 2012 por diversas organizacións galegas, que incluiu tamén unha recolla de sinaturas na internet, conseguiu paralizar a fumigación de eucaliptais cun insecticida prexudicial para as abellas. A organización ecoloxista anima tamén a consumirmos produtos ecolóxicos, locais e de temporada. Así, estaremos coidando da nosa saúde e axudando a fomentar a soberanía alimentar e un modelo de agricultura sustentábel. Nota 1. O valor económico da polinización por insectos calcúlase a partir do valor económico total do cultivo –que depende do prezo do productor e da produción- e reflite a parte do prezo das colleitas que se atribúe a este tipo de polinización.
NOS_40446
O Goberno de López Obrador comprométese a non cesar na busca até atopar os dez traballadores, cuxo estado se descoñece, e afirma que investigará a empresa concesionaria a fin de determinar as causas do accidente.
Os equipos de rescate do Ministerio de Defensa de México suspenderon a última hora desta cuarta feira os labores de busca dos dez mineiros que quedaron atrapados unha semana atrás na mina de carbón de Sabinas (Coahuila), alegando que non é seguro. Un grupo de buzos accedeu ao interior la mina logo de que se retirasen os obstáculos que impedían o acceso, a fin de verificar as condicións nas que se atopaba o lugar e determinar se había posibilidade de que os rescatistas entrasen na procura dos traballadores. Os buzos acharon un casco no interior da mina Segundo informa o xornal Milenio, a operación de rescate na mina suspendeuse após tres horas porque os alicerces seguen a bloquear o paso. Porén, os buzos acharon un casco, presumibelmente un dos mineiros. Acto seguido, o equipo de rescate abandonou o lugar debido ao "risco de colapso" e a posibilidade de que o operativo tornase nun novo accidente. "Deberán realizarse manobras para o retiro dos obstáculos", informou o Goberno de Coahuila. Con todo, o Executivo de Andrés Manuel López Obrador manifestou o seu compromiso de proseguir os labores de busca até lograr o rescate desas dez persoas, cuxo estado aínda se descoñece. O Goberno mexicano investigará a empresa concesionaria Tamén asegurou que as autoridades revisarán a concensión da mina e determinarán a "responsabilidade dos seus donos" a través dunha fonda investigación para aclarar as causas do accidente. Os traballadores quedaron atrapados unha semana atrás logo de que un río subterráneo provocase o asolagamento da mina e bloquease as súas saídas. Están a unha profundidade duns 34 metros.
NOS_23769
Unha caricatura permite coñecer a figura do que foi o primeiro xogador profesional do balompé galego, aló polos anos 20. Fariña era un deportista que ao saír dos campos de fútbol frecuentaba círculos sociais cheos de artistas e intelectuais, algo moi pouco común daquela, e que chamou a atención de Castelao, que dedicou os seus trazos a un home que sempre levaba a boina ben encaixada na testa.
Non é descoñecida a afección de Castelao polo fútbol, que incluso gustaba de inmortalizar en caricaturas os seus xogadores preferidos. Entre eles o seu favorito dentro e fóra do campo, un pequeno centrocampista de Vigo que non só destacaba pola súa técnica sobre o terreo de xogo -que o levou a ser un dos primeiros profesionais do balompé na Galiza, chegando a cobrar 500 pesetas polos seus servizos-, senón porque cando non lle estaba a dar patadas ao balón frecuentaba círculos sociais nos que abundaban artistas e intelectuais, algo moi pouco común nun deportista da época. De feito, unha vez retirado, desenvolveu profesións fóra do fútbol como a de colaborador de prensa, mestre de escola, xuíz e mesmo a de alcalde na vila mariñeira de Porto do Son, localidade que conta cunha avenida co seu nome. Nese retrato de Castelao poden distinguirse as dúas características máis recoñecíbeis de Fernando Fariña: as pernas tortas e o feito de xogar sempre cunha boina na testa, algo que resultaba insólito mesmo daquela, pero que para el tiña unha boa xustificación: "A boina vén motivada por ser home de pouco pelo. Comecei a usala desde os meus comezos de futbolista en Pontevedra, e despois habitueime de tal forma que era algo que non podía faltar na miña vestimenta. Merco a máis cativa que houber e momentos antes de saír ao campo mólloa para encasquetala ben para, unha vez seca, xa poder golpear o balón de calquera modo, que non vai caer. Tal parece que a levase cosida". Considerado un dos máis carismáticos do seu tempo, o seu percorrido no mundo do fútbol empeza no seu Vigo natal, concretamente no equipo dos Maristas, de onde pasa ás categorías inferiores do Sporting Vigo, onde xoga até que a súa familia se traslada a Pontevedra. Alí militou no Helénico, primeiro, e no Eiriña, despois, onde chamou a atención do Deportivo -que se fixo cos seus servizos no ano 1925- e do propio Castelao, que decidiu debuxalo durante esta etapa pontevedresa. O seu rendemento na cidade herculina foi incuestionábel, e axiña se converteu nun dos favoritos dos afeccionados pola súa visión de xogo e a súa entrega e xenerosidade cos seus compañeiros. Tan famoso se fixo que en 1930, aínda como futbolista en activo, a Asociación da Prensa da Coruña organizou un partido homenaxe ante o Celta e fíxolle entrega dun balón de ouro "en recoñecemento á deportividade que sempre demostrou sobre o campo". Defendeu as cores do Celta e do Deportivo Continuaría xogando no Dépor até o ano 1934 e unha vez retirado volveu ser homenaxeado, esta vez cun encontro entre o Deportivo e o Athletic de Bilbao que resultou ser todo un acontecemento na cidade. De toda Galiza chegaron mensaxes agarimosas para Fariña, entre as que se atopaba unha procedente do Real Club Celta de Vigo, camisola que Fariña vestira nunha xira americana que os celestes levaran a cabo en 1928, converténdose nun dos pouco máis de medio cento de xogadores que vestiron as cores do Celta e do Deportivo. Con seis compromisos pactados ao outro lado do Atlántico, a directiva viguesa reforzou o equipo con futbolistas a préstamo do Racing de Ferrol, do Sevilla e do Deportivo, que cedeu o propio Fernando Fariña, o gardameta Isidro e Luís Otero. Na súa última campaña como futbolista profesional ocupou tamén o banco deportivista, sucedendo José Planas o 15 de xaneiro do 34 e sendo relevado por José Torres o 4 de maio. Tras desenvolver outras tarefas dentro e fóra do fútbol, vinte anos despois, en 1953, foi designado de novo adestrador deportivista para tratar de salvar a praza en Primeira División, mais tras unha xeira de malos resultados foi cesado e substituído por Waldo Botana, que ocupou o cargo de forma interina até que o club fichou un dos técnicos máis populares de todos os tempos, O Mago Helenio Herrera.
NOS_6501
O saldo vexetativo continúa a ser negativo.
A poboación galega creceu en 1.803 persoas en 2019 grazas á migración exterior e interior e malia o saldo vexetativo negativo, de modo que o total situouse en 2.702.244 habitantes a 1 de xaneiro de 2020. Así o recollen os datos definitivos das cifras de poboación que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE). En concreto, Galiza rexistrou 15.631 mortes máis que nacementos (saldo vexetativo), mais obtivo datos positivos tanto en migración exterior (+16.866 persoas) como na interior (+676). Desta forma, sumou 1.803 persoas máis, o que representa un incremento poboacional do 0,07%, lonxe do 0,84% de aumento que rexistrou a media estatal. De feito, no conxunto estatal, a poboación residente en España aumentou en 392.921. O que tamén indican os datos do Ine é o progresivo avellentamento da poboación galega. De dada 100 habitantes na Galiza, 14 teñen menos de 18 anos mentres que 25 superan os 65. O 'inverno' demográfico galego é unha consecuencia dos problemas estruturais da Galiza. Malia que os datos non convidan ao optimismo, a experiencia doutras nacións confirma o seu carácter reversíbel. As previsións non dan pé ao optimismo. A este respecto, as proxeccións demográficas do Instituto Nacional de Estatística (INE) para o período 2018-2033 indican que, de manterse a tendencia actual, Galiza pode perder até esa data 138.799 persoas, isto é, o 5,3% da súa poboación e ficar en 2.564.491 residentes. Atendendo a este informe, o saldo vexetativo, diferenza entre o número nacementos e mortes, tamén é negativo até sumar 98,9 falecidos máis que nacementos por cada 1.000 habitantes. Segundo o catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rubén Lois, "estes estudos do INE destacan pola súa fiabilidade e rigor técnico".
PRAZA_12309
O endebedamento do que botou man Laboratorios Asociados Nupel, xunto coa caída no volume de ventas, provocou unhas perdas superiores a doce millóns de euros en 2010. Mais o empresario e os seus socios seguían asinando préstamos para a adquisición de coches de alta gama e embarcacións. Hai evidencias de contabilidade en B e de manipulación da información mercantil. Galería no interior.
O préstamo de preto de tres millóns de euros que Jorge Dorribo obtivo, coa presunta intermediación do exdirector xeral do Igape, Joaquín Varela, desde o BEI (Banco Europeo de Investimentos) estaba atado coa hipoteca sobre os bens de Nupel e un plan de negocio máis que ambicioso. O laboratorio aseguraba que ía experimentar un crecemento de máis do 20% en tres anos malia á crise económica. E, sobre todo, aínda que isto non se dicía abertamente, malia ser unha empresa con graves problemas de liquidez. A administración concursal de Laboratorios Asociados Nupel asegura que existen probras de cobro de dividendos en B e da falsificación de información mercantil. As contas estaban presuntamente maquilladas. Se Varela coñecía ou non a quebra de Nupel é algo que, cando menos no sumario, non se explicita. Si consta que Dorribo apurou ao máximo o cobro dos dous tramos do crédito blando ante a complexa situación pola que atravesaba. Todos os datos de contabilidade de Nupel evidenciaban que non podía facer fronte a unha inversión de máis de seis millóns millóns de euros Tanto o volume de negocio, o incremento dos gastos financeiros ou outras partidas como os fondos propios ou o circulante. Todos os datos de contabilidade de Nupel evidenciaban que non podía facer fronte a unha inversión de máis de seis millóns millóns de euros. Case tres chegaron do BEI a través dun préstamo. Segundo aparece nas contas da compañía, o ambicioso proxecto de unidose non absorbía todo o capital procedente do endebedamento, os préstamos públicos ou das vendas. Cunhas perdas superiores aos doce millóns de euros en 2010, Nupel formalizou préstamos con diversas entidades bancarias para a adquisición de coches de luxo e embarcacións de recreo. En total o gasto superou os tres millóns de euros. Como consecuencia disto, a firma tivo que asumir gastos financeiros polo xuro desa débeda po case 630.000 euros. Outros 400.000 euros se rexitraron "en concepto de desconto de efectos e operacións de factoring". Cunhas perdas superiores aos doce millóns de euros en 2010, Nupel formalizou préstamos para a adquisición de coches de luxo e embarcacións de recreo Ese endebedamente está incluído dentro dun amplo capítulo que fai referencia aos investimentos realizadas con fondos alleos (préstamos, leasing...) para a compra destes bens de luxo "totalmente innecesarios para a actividade da empresa", apuntan os administradores concursais. O investimento máis caro foi o dunha "embarcación Sacs", por máis de 415.000 euros. É case un cuarto do gasto en personal de Laboratorios Nupel. Jorge Dorribo mercou tamén un Rolls Royce por 347.586,20 euros e que acabou vendendo por 134.074,46; un Maserati de 122.735.14 euros que vendería por menos de 27.000; ou un Porche 997 GT3 que lle costou 122.895,46 euros e o malvendeu por 63.000. Estas operacións de compra e venda (con prezos moi rebaixados) tamén provocaron perdas por máis de 620.000 euros.
NOS_44289
As competicións futbolísticas entran no seu tramo final cos distintos equipos galegos obrigados a gañar para conseguir os seus respectivos obxectivos. O máis necesitado dun triunfo é o Lugo, que necesita volver cos tres puntos dun estadio tan complicado como é O Toralín, no que o Ponferrada só perdeu tres partidos.
O Lugo afronta un desafío maiúsculo na súa visita mañá (20.30 horas) ao Estadio do Toralín, a fortaleza -case- inexpugnábel na que a Ponferradina xoga os seus partidos como local. A escuadra berciana sustenta a súa privilexiada oitava posición no campionato, cos postos de play-off a tiro de pedra, no seu poderío na casa, onde tan só Sporting de Xixón e o líder Español perderon menos partidos que os de Ponferrada (3). Isto non fai senón magnificar a magnitude dun reto xa de por si extremadamente complicado para o Club Deportivo Lugo, como é conseguir a súa primeira vitoria nos últimos 14 partidos, mais non ten outra opción se quere abandonar uns postos de descenso nos que se viu inmerso logo de seis meses fóra. Con ese obxectivo Saqués puxo fin á desastrosa segunda etapa de Luís César Sampedro á fronte do equipo, na que tan só foi quen de sumar tres puntos de 24 posíbeis e, para sorpresa da parroquia albivermella, apostou como o seu substituto por un técnico galego sen experiencia na categoría, Rubén Albés. Este vigués de 36 anos afronta en Lugo o maior reto da súa carreira -logo de dirixir, entre outros conxuntos, os filiais do Celta e do Valladolid-, e durante a súa presentación oficial manifestou estar "seguro" das capacidades dos seus homes e fixo un chamamento a "esquecer" o pasado para "darlle a volta á tortilla", comezando polo partido ante o Ponferrada. Nova quenda para que o Celta asine a permanencia Cada partido que pasa parece máis cerca de conseguirse, aínda que logo de dous encontros seguidos perdendo vai medrando a ansiedade por lograr un triunfo que certifique virtualmente a permanencia un ano máis na máxima categoría. O terceiro match-ball para os do Chacho Coudet chegará mañá ás 18.30 horas en Balaídos ante o Osasuna. Os navarros adiantaron os celestes na clasificación logo dos seus últimos tropezos na táboa, e afrontan a visita a terras galegas coa tranquilidade que outorga saberse salvados, unha relaxación que poderían aproveitar uns futbolistas olívicos que agardan que non se repitan as polémicas decisións arbitrais relacionadas co uso dun VAR "que debería estar para axudar, non para confundir", como criticou o capitán Hugo Mallo. Seis finais a domicilio na Segunda División B Os conxuntos galegos dos grupos que loitan polo ascenso a Segunda División e pola permanencia na Primeira RFEF superan o ecuador da competición nunha cuarta xornada na que todos terán que desprazarse lonxe dos seus domicilios. Así, o Celta B apura as súas opcións de colarse no play-off de ascenso ante un rival directo como é o Valladolid B -curiosamente, os dous equipos nos que fraguou a súa carreira o flamante técnico do Lugo- o domingo ás 11.30 horas. Pola súa banda, Deportivo e Rácing de Ferrol pretenden afianzar en terras asturianas a súa privilexiada posición como primeiro e segundo clasificado do grupo 1-D, respectivamente, pois visitan os campos do Langreo (mañá, 18 horas) e do Luanco (domingo, 17 horas). Un pouco antes que os coruñeses, ás 12 horas do domingo, o Compostela afronta un difícil choque ante o sempre complicado Numancia. Finalmente, no grupo no que se dilucida a loita por eludir o descenso á Terceira División tanto Pontevedra como Coruxo terán, tamén, que desprazarse até Asturias. Os granates, líderes con 26 puntos, xogan este sábado ás 18 horas contra un Oviedo B que ocupa o terceiro posto na táboa, con tan só dous puntos menos. Pola súa banda, os vigueses, segundos con 25 puntos, saltarán ao céspede do Álbarez Rabanal de Covadonga p domingo ás 12 horas.
NOS_50602
Héitor Picallo (Cuntis 1974) é persoa ben coñecida para as leitoras e leitores de Nós Diario, pois elaborou para este medio o coleccionábel Galiza nas páxinas de Europa. Agora, desde a próxima terza feira, estará connosco para nos falar da Onomástica nacida da terra.
-En que consiste este novo coleccionábel? Consiste en 31 fascículos nos que pretendemos abordar, de xeito divulgativo, varias cuestións vinculadas a algo máis de 200 apelidos, todos eles cunha evidente relación toponímica. Por conseguinte, desde a onomástica (persoal ou dos nosos lugares) intentaremos facilitar etimoloxías, baseándonos nas investigacións de persoas doutas na materia: Gonzalo Navaza, Ana I. Boullón Agrelo, Clara Iglesias, Fernando Cabeza Quiles, Edelmiro Bascuas, Eligio Rivas Quintas, entre outras. -Son máis de dous centos os apelidos tratados. Como foi o proceso de escolla e con que criterios fixo a selección? Non resultou moi sinxelo, pois buscabamos apelidos –con relación toponímica– que tivesen no noso país formas deturpadas ou castelanizadas. Ademais, quixemos adobialo con referencias históricas, quer dalgúns lugares citados quer dos antropónimos, na procura de datos curiosos e, ao mesmo tempo, daqueles que dean visibilidade ás mulleres deses tempos, agochadas tantas veces debaixo dun patriarca ou dunha elipse documental. Así as cousas, non pretendemos atopar o documento máis vetusto, senón o máis suxestivo. Noutras ocasións o apelido escollido era aquel que está en vías de desaparición, no que só existen un puñado de individuos –por veces menos de 10– que o usan nese momento, co agravante de que se vai colocado en segundo lugar –habitualmente o apelido materno– ten todas as cartas para esfarelar entre papeis, recordos e manuscritos: a nosa vida, a nosa identidade recollida en arquivos. -De todos eles, hai algún que lle mereza un comentario especial, pola forma, pola orixe, por algún portador ou portadora? En todo apelido hai algo interesante agochado que se pode resaltar: o nome dun lugar, a vinculación cun personaxe histórico, unha evolución ilóxica –e incluso intencionada, como é o caso do apelido Arousa–, relacións etimolóxicas entre algúns deles –por exemplo entre Ameixeiras e Ameixenda– etc. Porén, sempre gustei da flexión de xénero que desde o Medievo até a Idade Moderna existía nalgúns apelidos e que hoxe só quedan, de forma residual, na oralidade. Refírome a casos como o antropónimo galego que de ser empregado por unha muller denominaríase galega. Así, nun mesmo matrimonio, existiría unha Constanza Barreira e un Xoán Barreiro, un Xosé Soliño e unha María Soliña... -O nomenclátor oficial fixa a forma correcta dos topónimos mais, aínda sendo evidente a derivación cara a formas onomásticas, a normalización dos apelidos non avanza ao mesmo ritmo. A que atribúe esa lentitude? Pois coido que a múltiples factores. O primeiro deles sería a unha falta de publicidade deste feito que afecta na conservación da nosa "xenética onomástica" –acépteseme a licenza–. Por outra banda –e debido a isto último– a sociedade fica inhibida ou non sensibilizada o suficientemente. Basta rabuñar un chisco na cerna da "árbore familiar" para sabermos que antes dun Fuentes houbo un "de la Fuente", e en tempos máis antigos un "da Fonte". En conclusión, podemos sinalar que "aos nosos antepasados mudáronlles os nomes da súa proxenie", e nós –fillos e fillas deles e delas– perdemos ese umbilical lingüístico. Portamos carautas no cando de amosar a nosa verdadeira faciana, apelidáronnos Guimarey para tapárennos o "i" latino. E en tempos de castelanización, máis sobre todo desde o século XIX, todo o que non fose castelán debía parecelo. Velaí a nai do año. -A RAG publicou unha relación de apelidos a normalizar mais esa publicación non circulou alén dos limites académicos. Faise a publicidade suficiente sobre as posibilidades de normalización da nosa onomástica? Para nada. Coido que as administracións e as institucións galegas deberían promover a recuperación –e restitución á forma correcta– dos nosos apelidos. Ás veces non facer nada é facer moito, os esforzos son ben poucos desde calquera ámbito, polo que debería resultar tan importante investigar como divulgar. Se non se divulga, a sociedade non coñece e por conseguinte non se sensibiliza, e unha sociedade non sensibilizada non reclama o que lle é propio, neste caso a palabra, o idioma, as orixes, a identidade e a súa lexítima onomástica... Que a nosa voz siga a ser a voz dos que nos precederon.
NOS_52440
O tempo medio de demora nas valoracións é de 138 días.
A Xunta da Galiza ten 12.500 expedientes de valoración do grao de discapacidade pendentes de atender. Aliás, o tempo medio de agarda da cidadanía por unha valoración de discapacidade é de 138 días. Os datos deunos onte o director xeral de Maiores e atención sociosanitaria da Xunta, Antonio Acevedo Prado, a preguntas do BNG na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento galego. Acevedo defendeu o "plan de choque" da Administración galega para "mellorar as listas de espera e a atención ofrecida". O plan "está a funcionar", dixo. A Xunta deixa sen executar 76 millóns de euros en dependencia Acevedo explicou que, para reducir os tempos de resposta ás solicitudes, a Xunta estabeleceu en 2018 un plan de acción que se fundamentou "no reforzo de persoal". Na réplica, a viceportavoz do BNG na Cámara galega, Olalla Rodil, apuntou que en 2021 esperábase cinco meses máis do estabelecido pola lexislación polas valoracións. "Esas demoras rouban dereitos, mais tamén anos de vida", comentou Rodil. A este respecto, Acevedo asegurou que "nunca podemos estar satisfeitos mentres haxa unha persoa que espera algo. Estamos abertos a calquera oferta de mellora". Axudas á dependencia Por parte do grupo socialista, Marina Ortega instou o Goberno galego a que aclare "por que esconde case 10.000 persoas que non figuran nas listas de espera de solicitantes das axudas á dependencia". Ademais, destacou que isto ocorre nun contexto no que as listas de espera "dobran" o permitido pola lei (que marca un máximo de seis meses). A Galiza atópase á cola do Estado en investimento no servizo de dependencia Criticou tamén que a Galiza sexa o territorio que menos inviste por habitante potencialmente dependente de todo o Estado. Ortega achacouno á "desidia" da Xunta da Galiza, que "está a facer moi mal as cousas e que ten responsábeis políticos que non demostran empatía".
NOS_5661
Alertam do recursso "à repressão e à prisão" contra Catalunha
O Partido Comunista Português (PCP) e Bloco de Esquerdas criticaram as condenações dos líderes independentistas catalães pelo Tribunal Supremo. O PCP diz que a decisão insere-se numa "linha de recurso à coacção, à repressão e à judicialização" e que "não só não contribui para o encontrar de uma solução política, como tenderá a agravar o problema". De por parte, o Bloco critica "a reiterada tentativa por parte do Estado espanhol em procurar resolver um conflito eminentemente político" recorrendo à repressão e à prisão. Os bloquistas consideram que "a condenação efectiva do exercício de direitos políticos representa um ataque aos princípios fundadores do Estado de Direito democrático e aos mais elementares direitos cívicos e políticos". Os comunistas alertam para que "da ausência de uma solução política" e de uma "política com graves consequências sociais" em Espanha e para a "promoção de valores reaccionários e de sectores fascistas franquistas". "Presos políticos, liberdade" foi uma das palavras de ordem que se fez ouvir esta terça-feira ao fim da tarde também em mobilizaçoes em Portugal
NOS_1351
Estes días non se deixa de escoitar a necesidade de afacerse a unha "nova normalidade". Para as persoas amantes do cine, unha boa maneira de adaptarse á nova situación sería poder gozar da sétima arte en pantalla grande en formato autocine. Hai quen está a traballar para que esta idea sexa xa unha realidade.
Galiza nunca contou cun proxecto consolidado de autocine. Agora, nas circunstancias actuais da pandemia e no proceso de desconfinamento, mais cun futuro incerto en relación ás medidas de seguridade neste tipo de espectáculos, pode ser un bo momento para repensar a posibilidade. As últimas experiencias no país non pasaron de ser anecdóticas. Un exemplo témolo en Vigo, cando en 2012 un empresario do sector pesqueiro quixo abrir un autocine co nome de Diaporama. Marcos Vila traballou nese proxecto desde a súa axencia de márketing e explica a Nós Diario que "era unha proposta seria mais non foi adiante por falta de apoios". O promotor chegou a abrir unha páxina web e outra en Facebook para solicitar adhesións que podían ser desde cinco euros. "Tiña mesmo os terreos no propio centro da cidade e un estudo a respecto de como serían a infraestrutura e os equipos", pon de manifesto. O custo total do proxecto era de 548.257 euros e chegou a contar con 100.230 euros. Outro exemplo algo máis recente foi o que puxo en marcha un gran centro comercial da Coruña, que instalou en 2018 un autocine no seu propio aparcadoiro. Un espazo polo que pasaron, segundo as cifras da propia superficie, máis de 2.000 persoas. Contaba cunha pantalla de 91 m² e tiña unha capacidade para 172 coches en cada sesión. O propio centro sorteaba, daquela, entradas a modo de reclamo entre as persoas visitantes aos seus comercios, para poder asistir ás sesións de cine. Autocine.gal Xoán Mariño, responsábel de Mr. Misto, considera que este é o momento. "Pode ser unha cuestión de apego ao vintage mais hai xente agardando por este tipo de cine", sinala a Nós Diario. Que non callase nunca na Galiza ningún autocine tería a súa explicación. "A zona con máis estabelecementos estábeis deste tipo é a do mediterráneo, que conta con máis horas de luz", explica, "e poden realizar máis pases para poder ser rendíbeis", engade. Este ano lanzouse con Autocine.gal a levar polas vilas e cidades galegas a estrea de María Solinha, a última película de Ignacio Vilar. "Non é a primeira vez, xa tiven esa experiencia con Pradolongo", lembra. Daquela fíxose cuns equipos para proxectar en exteriores a modo de cine de verán e agora quere apostar tamén polo autocine. "Por agora temos fechadas sesións con vehículos en Verín (21 de xuño), A Rúa (10 de xullo) e Foz (24 de xullo) mais estamos en conversas con máis municipios", informa. Permisos e solucións técnicas Na proposta, a dificultade vén polo lado económico. "Temos que contar cos permisos para proxectar as películas, o alugueiro do terreo e a radiofrecuencia para emitir a película en cada vehículo", explica. Ten a experiencia, ademais, de facelo en Barro, cunha capacidade para 30 coches. Se este verán lle sae ben, non descarta crear o primeiro autocine estábel da Galiza. "Vin outros modelos como o de Xixón, onde abren todo o ano". O futuro da difusión do cine non só pasa por internet. O nacemento dos autocines: entre a economía e o auxe dos coches A historia dos autocines vai ligada á dos propios vehículos e do espectáculo cinematográfico. Malia algúns intentos que fracasaron por cuestións de loxística, a primeira proxección neste formato non chegou até o día 6 de xuño de 1933 en Candem, nos Estados Unidos de América. A película que se proxectou ese día foi a comedia Wives Beware, realizada ese mesmo ano por Fred Niblo. Un cartel rotulado coas letras "Toda a familia é benvida, sen importar o ruidosos que sexan os seus nenos" incitaba a á participar tanto pais como pequenos da casa. O seu custo era de 25 centavos por persoa e outros 25 centavos polo coche. Unhas 600 persoas estiveron nesa histórica velada. Daquela era unha solución máis económica para as que non podían achegarse ao cine coa familia ao completo.
NOS_22106
O Museo do Pobo acolle a presentación oficial da programación da XVI Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, MICE, que chega no mes de abril.
O Claustro do Museo do Pobo Galego, en Compostela, acolleu onte a presentación da programación da XVI edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que do 6 ao 10 de abril decorrerá na capital da Galiza. Durante o evento inaugurouse tamén a exposición "Ons soa", actividade paralela da MICE, comisariada pola antropóloga e etnógrafa Paula Ballesteros-Arias. En 2021 a MICE compaxina os contidos presenciais e en liña para garantir a seguridade debido ás condicións sanitarias provocadas pola Covid-19. En total, anuncian arredor dunha vintena de proxeccións entre a Sección Oficial, o apartado Fóra de Concurso, Impropias, que aborda a memoria histórica desde a perspectiva de xénero, e Trazas, dedicada á linguaxe e organizada en colaboración co Cineclube de Compostela. A programación poderá seguirse desde as pantallas do Museo do Pobo, do Teatro Principal e do Cine Númax. Serán 11 películas procedentes de sete Estados (o Estado español, Estados Unidos de América, Francia, Finlandia, Marrocos, Mozambique e Portugal) as que irán a concurso, entre as que se encontran catro filmes galegos: A miña terra, de Santiago D. Risco; Notas sobre a habilitade na Barca, do Colectivo Semente; A poeta analfabeta, de Sonia Méndez e Entre pastores e lobos, de Manuel Pedrosa. Fóra de competición proxectaranse o documental Negro Púrpura, de Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias, que abrirá a MICE, e títulos como Os corpos, de Eloy Domínguez Serén, e a mediametraxe Do not lean on door, de Vicente Vázquez. Actividades paralelas A MICE tamén vai contar con actividades paralelas, como o taller "Da investigación á creación biográfica" e mais a exposición "Ons soa", que se vai poder visitar no Museo do Pobo até o 30 de maio, organizada por Paula Ballesteros-Arias a partir do seu traballo de campo na illa de Ons. A mostra consta dunha selección de pezas procedentes da investigación da antropóloga no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) entre 2009 e 2013, ao que achegou materiais propios compilados entre finais dos 80 e 2016. "Ons soa" resume "as inquedanzas da antropóloga sobre o patrimonio cultural" da illa.
NOS_43993
A Igrexa inscribiu como propios máis de 7.000 bens na Galiza desde 1998
A Igrexa católica conta cun total de 7.131 bens inmatriculados na Galiza entre 1998 e 2015, por mor da reforma da Lei Hipotecaria levada a cabo polo Goberno de José María Aznar, segundo a listaxe elaborada polo Goberno español e enviada ao Congreso dos Deputados. Segundo esta listaxe, Galiza é o segundo territorio con máis inmatriculacións -acción de inscribir por primeira vez unha propiedade no rexistro da propiedade- do total de 34.961 existentes no Estado español, só por detrás de Castela e León (10.243). Aquí podes consultar todos os bens afectados por esta actuación da igrexa católica. Na listaxe podes buscar o teu concello e ver a que propiedades lle afecta. Dos 7.131 bens, 2.747 son templos e os 4.384 restantes son fincas rústicas, vivendas, solares, cemiterios e prazas de aparcadoiro,
NOS_49122
Países Baixos e Italia abandeiran as posturas encontradas que seguen a dividir a UE no medio dunha crise sen precedentes, coa ameaza de ocasionar unha ferida demasiado profunda como para cicatrizar sen deixar marca. Os primeiros non queren pagar contas previas; aos segundos arrepíalles a pantasma da 'troika'.
"Despois de 16 horas de debate estivemos perto de chegar a un acordo, mais non estamos aí aínda. Suspendín o Eurogrupo e continuamos mañá, quinta feira. O meu obxectivo mantense: unha rede de seguridade forte da UE ante as consecuencias da COVID-19 (para protexer traballadores, empresas e países) e o compromiso cun plan de recuperación cuantioso". Mário Centeno, ministro de Economía portugués ao tempo que presidente do Eurogrupo, confirmaba na súa conta do Twitter, pouco antes das 9 horas de onte, o que se viñera ventando durante toda a madrugada: o enfrontamento entre bloques no seo da UE permanece 15 días despois da primeira xuntanza dos responsábeis das finanzas dos 19 países da zona euro para dar unha resposta económica á crise do coronavirus. Mais dos dous grupos, por unha banda, Italia, Francia, España, Portugal, Grecia, Irlanda, Bélxica, Luxemburgo e Eslovenia; pola outra, Alemaña, Finlandia, Países Baixos e Austria ─coa mutualización da débeda como eixo da división─, son os Gobernos italiano e neerlandés os que encarnan as posturas máis opostas. Madrid, París e Berlín modularon o seu discurso nas últimas horas. Roma vs. A Haia Por exemplo, a ministra española Nadia Calviño afastábase de Roma pouco antes de comezar a reunión asegurando que "España non ten ningunha necesidade de recorrer a ningún mecanismo de acceso a liquidez" porque ─asegurou─ os últimos resultados dentro dos mercados son "positivos". O seu homólogo francés, Bruno Le Maire, fíxose eco en Twitter da mensaxe escrita nesta rede social polo seu colega alemán, Olaf Scholz, ao termo da reunión do Eurogrupo, pasadas ás 8 horas: "Nestas difíciles horas, Europa debe permanecer fortemente unida. Xuntos, con @BrunoLeMaire, fago polo tanto un chamamento a todos os países da zona euro a que non renuncien a resolver estes complicados temas financeiros e a facilitar un bo compromiso para toda a cidadanía". Scholz afirmou horas despois ante os medios que están "case" de acordo, mais que cómpre "unanimidade", e que a agarda que esta chegue "antes de Pascua". Porén, a desconfianza mutua está a atoar a resolución dese "bo compromiso para toda a cidadanía". Os principais desencontros continúan a ser a negativa de Italia a aceptar calquera condición para acceder ás liñas de crédito do fondo europeo de rescates (MEDE) e o rexeitamento dos Países Baixos a que o texto sobre o plan de recuperación inclúa unha mención á mutualización da débeda. A Haia insiste en que, pasada a urxencia da crise, o diñeiro do MEDE debe, obrigatoriamente, estar suxeito a reformas estruturais acompañadas. Isto é, o Goberno neerlandés acepta que se use ese diñeiro común para estes momentos de "urxencia sanitaria", mais non sen condicións despois, de se empregar nos investimentos necesarios para a reconstrución da economía. Os Países Baixos desconfían que ese fondo se utilice por parte dos países máis endebedados para arranxar as súas contas. É dicir, non quere que os Estados que nesta última década "fixeron os deberes" paguen a conta dos que "non os fixeron". Italia ten 135% de débeda, Portugal, 122%, e Francia e España rozan 100%; mentres que a de Alemaña é de 62%, a de Finlandia, 59%, e a dos Países Baixos (52%). 'Troika' En Italia ─e nese outro grupo de países endebedados, que xa se viron forzados a profundos recortes sociais tras a crise financeira e crediticia de 2008─ tamén desconfían. Primeiro, non queren botar man do MEDE e avogan polos coronabonos; e segundo, ese condicionamento sóalles a troika (Grecia, intervida entre 2010 e 2018, aínda non se puido recuperar do "rescate"). O paquete de medidas de urxencia proposto activaría préstamos a través do MEDE (240.000 millóns), o Banco Europeo de Investimentos (200.000 millóns) e o fondo contra o desemprego proposto pola Comisión Europea (100.000 millóns). Le Maire e Scholz, informan os medios franceses e alemáns, mediaron sen éxito antes da fin da reunión, que se retomará hoxe, cando estaba prevista a xuntanza do Consello Europeo para culminar as negociacións e asinar os acordos do Eurogrupo.
NOS_45596
24 horas antes da conclusión do ultimato dado por Rajoy, o president da Generalitat rendeu homenaxe a Lluís Companys, o titular da Generalitat que en 1940 foi fusilado polas forzas franquistas no castelo de Montjuïc, en Barcelona. Este domingo 15-O é o 77 aniversario deste magnicidio.
No acto en homenaxe a Lluís Companys, unha oferenda floral, Carles Puigdemont reflectiu sobre a dialéctica entre legalidade e lexitimidade, tan de actualidade no conflito entre o pobo catalán e o Estado español. "Asasinárono en nome da orde e da legalidade estabelecida", dixo o president, quen enfatizou que o dirixente histórico de ERC "foi vítima dun combate moi desigual entre a legalidade democrática e a baixeza do franquismo". No seu discurso, en que non deu pistas sobre como responderá esta segunda feira o requerimento de Rajoy que podería activar o artigo 155 da Constitución española, Puigdemont reclamou para o soberanismo a bandeira da paz -"som gent de pau" é unha das palabras de orde das marchas independentistas- entanto que o Estado representaría "a violencia, a agresión e a imposición". No acto interveu tamén a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, quen reclamou a demisión de Pablo Casado, o vicesecretario de Comunicación do PP que deslizou días atrás que Puigdemont, de declarar a independencia, podería acabar tendo o mesmo destino que Companys. Tamén participaron na oferenda floral dirixentes do PSC -en concreto, o ex president da Generalitat, José Montilla, e o secretario de Organización da formación, Salvador Illa-, o que provocou apupos por parte dalgunhas das persoas presentes que lle apoñen ao partido liderado por Miquel Iceta -ausente no acto- a súa confluencia coas posicións unionistas duras de PP e Cs.
PRAZA_7418
O Apóstolo é candidata na categoria de mellor filme de animación. E os guións de Todo es silencio e Fin, a partir das novelas de Manuel Rivas e David Monteagudo, tamén poden levar premio. Invasor, coproducida por Vaca Films, pelexará por cinco galardóns.
A (posible) pesca galega nos Premios Goya deste ano vaise centrar en dúas categorías. En animación, na que Galicia adoitaba ser unha potencia e onde o ano pasado Birdboy e Engurras levaron senllos premios, O Apóstolo é candidata ao galardón de mellor longametraxe. Pode ser unha boa oportunidade para este innovador filme realizado en stop-motion e que tantas dificultades está atopando para a súa distribución nas salas comerciais. Non terá doado derrotar a taquilleira Las aventuras de Tadeo Jones, pero de seguro que O Apóstolo pode atopar nestes premios unha oportunidade para o seu despegue. A (posible) pesca galega nos Premios Goya deste ano vaise centrar en dúas categorías: animación e guión adaptado A outra categoría na que Galicia será protagonista é a de mellor guión adaptado. Nese apartado competirán Todo es silencio e Fin, dous filmes que nacen das novelas de Manuel Rivas e David Monteagudo, viveirense afincado en Catalunya. Pelexarán con Las aventuras de Tadeo Jones e con Invasor, a película coproducida por Vaca Films e a TVG que aspira a outros catro galardóns: mellores efectos especiais, mellor son, mellor montaxe e mellor actor secundario. A Academia do Cine entregará os Goya 17 de febreiro. Blancanieves (18 nominacións), Grupo 7 (16), El artista y la modelo (14) e Lo imposible (13) son as grandes favoritas, en especial o filme en branco e negro dirixido por Pablo Berger e protagonizado por Maribel Verdú.
NOS_46998
Mar Guerra propón unha novela de aventuras ao tempo que reconstrúe con minuciosidade a sociedade castrexa que poboou Galiza e o norte de Portugal
Mar Guerra, escritora e xornalista, foi galardoada en 2008 co Premio Merlín de literatura infantil por Xenaro e o misterio da mochila verde. A este seguíronlle Xenaro e a hucha do indiano, Xenaro e a negra sombra e Señor Meco –editados na colección Merlín de Xerais-. Agora, tras a publicación de Norteáns, novela editada na colección Fóra de Xogo da Editorial Xerais, tivemos o pracer de conversar coa autora para coñecer máis en profundidade o que se agocha detrás das máis cincocentas páxinas que conforman esta grande novela e que, con certeza, fará gozar a aquelas persoas que teñan interese na cultura castrexa. "Trátase dunha novela coral e o que é o fío argumental da novela é unha sorte de viaxe a Ítaca, lugar que todos tiveron que abandonar, uns obrigados e outros por vontade propia" Norteáns é unha novela histórica na cal se reconstrúe con detalle a sociedade castrexa. En que se centra o libro? Cal é o argumento principal? Norteáns é unha epopea á castrexa desenvolvida cos modos de pensar, sentir e actuar actuais. O ambiente arranca cun capítulo inicial contemporáneo e despois toda a narración desenvólvese no século I antes de Cristo. Trátase dunha novela coral e o que é o fío argumental da novela é unha sorte de viaxe a Ítaca, lugar que todos tiveron que abandonar, uns obrigados e outros por vontade propia. Unha Ítaca que mudou durante ese tempo que estiveron fóra, mais que continúa a ser ese lugar ao que todos devecen por volver. Con Norteáns eu tentei realizar unha achega non só de contexto histórico, senón tamén da miña filosofía vital, esas pequenas pegadas que imos deixando polo camiño e que espero que poidan achegar algo a quen as reconstrúe. Como foi o proceso creativo para a construción de Norteáns? O proceso foi longo e complicado. Hai cinco anos que traballo nesta novela. Parte da miña admiración e interese pola época, polo que foron os castrexos, a iconografía, a historia en si mesma. Sempre tiven curiosidade por esa cultura, sempre estaba aí roldando na miña cabeza e de aí xurdiu. Para poder crear Norteáns realicei un labor de investigación moi grande. A verdade é que estes cinco anos estiven a traballar non tanto desenvolvendo a historia ou amañando as personaxes, construíndo enredos… Mais sobre todo iso, foi un proceso de documentación. Cando comezas a procurar información sobre esta temática logo te decatas de que non hai moita base, e a que hai é moi confusa. Ás veces desesperei porque o que tiña como claro a partir duns autores de súpeto comprobaba noutro documento, noutro libro, como se contradicían por completo. Entón, non pretende ser unha novela histórica stricto senso, mais si quero presumir de que é verosímil, mal que ben, documentábel. É complicado conseguir iso, a miña pretensión é que sexa amena, unha novela de aventura con esa pinga de revolución social, de ideoloxía e mesmo de filosofía, pero verosímil e ben asentada na época castrexa. Por riba, a linguaxe, a forma de contar as cousas, debe ser coidadosa, porque se pretendes que te entendan tes que adaptarte un pouco ao público ao que te dirixes pola liña editorial, xente moza a partir dos 13 ou 14 anos. "Calquera persoa que guste da época ou que teña curiosidade probabelmente goce con Norteáns" Nese senso, como pode influír iso na concepción dunha obra como Norteáns? Norteáns é unha novela coral, mais o protagonista principal ten trece anos, e a idade dos protagonistas dalgún xeito marca a liña editorial. A novela ten todos os ingredientes dun best-seller á castrexa: paixón, ambición, vinganza, sexualidade... Entón, é para persoas un pouquiño máis formadas, non é que necesites unha grande bagaxe mais si un pouco de formación, porque tamén hai unha revolución social, hai clases sociais… Mais calquera persoa que guste da época ou que teña curiosidade probabelmente goce con Norteáns. Todo depende da predisposición do que queiras buscar nestes contos. Como e cando descobres a túa faceta de escritora? Desde pequerrecha sempre gocei coa lectura e a escrita. Sempre escribín para min, para os meus, nada que pensase que fose publicábel… Até que un día me atrevín a presentar un orixinal ao premio Merlín. Non pensaba que puidese interesar, mais finalmente parece que si. En Xerais, após gañar o Merlín, tiven a oportunidade de ir presentando a miña novela polos coles, e é fantástico porque falas coas crianzas e son uns lectores absolutamente radicais, moi eficientes e moi críticos. Están atentos a todo, ao que escribes e ao que non escribes, son moi perspicaces. Ter a oportunidade de falar directamente con eles, de forma distendida, nun ambiente relaxado, permitiume facer feedback, porque como non teñen vergoña dinche cousas de fronte. Foi fantástico porque, por exemplo, o Xenaro non ía ser máis que un conto e a partir de falar cos cativos e cativas acabei facendo tres xa. E foi así, a partir de facer feedback coa rapazada, de responder ás súas preguntas e ao seu interese. "A literatura infantoxuvenil, independentemente de que sexa boa, mala ou regular, directamente asóciase a baixa literatura" Cal é o teu diagnóstico a respeito do estado de saúde da literatura infantil e xuvenil en Galiza? Non vou dicir nada que non se saiba. É fantástica, de primeira liña, nacional e internacional, temos escritores e escritoras fabulosos, que é para sacarse o sombreiro. O que ocorre é que a literatura infantoxuvenil, independentemente de que sexa boa, mala ou regular, directamente asóciase a baixa literatura. É para crianzas, é doada, non ten grandeza (intelectual), non ten profundidade, non pretende mover á acción… De entrada descártase, é só mirar os caderniños literarios, as críticas literarias, os grandes nomes que se asocian coas primeiras filas das editoriais ou da escrita… Cantos escritores de literatura infantoxuvenil hai? Están apartados, nun caixón. Algúns destacan, claro que si. Mais de entrada… Aínda así atreveríame a dicir que é de mellor calidade que a literatura para adultos, penso que en Galiza hai máis grandes e universais escritoras e escritores de literatura literatura infantoxuvenil. A realidade é que é a que está tirando do carro e movendo a literatura no noso país, sementando novos lectores e traballando máis pola lingua, no día a día, no seu uso cotián. Recentemente realizouse unha campaña en Francia para concienciar sobre a precariedade laboral que sofren escritores e ilustradores de literatura infantoxuvenil [La Charte des auteurs et des illustrateurs pour la jeunesse] É unha lacra mundial. Hoxe en día non se le moito, as novas xeracións son nativos dixitais, está o pirateo… Tampouco se merca. Entón as editoriais tampouco publican. É a pescada que morde a cola. Non é polo prezo do libro, senón o que ti sacas como escritor. Xa me gustaría vivir do conto! Ti tes que comer, mais da escrita non comes, por iso tes que compaxinar este oficio con outro. E de onde sacas tempo? Quítasllo ao sono, ao ocio… É moi desalentador, e máis para as mulleres. As escritoras por riba temos o muro da invisibilidade manifesta, é loitar contra muíños e contra xigantes. O público non ten tanto que coñecer a miseria que hai detrás de cen páxinas, nin se trata de reivindicar o oficio. Ninguén che obriga, mais se o pensas calquera pode vivir do seu traballo, menos nós. A porcentaxe que levas de cada libro é, como moito, do 10%. É dramático. E a bohemia que hai entorno á escritura e á literatura está moi ben, mais todos comemos no mínimo tres veces ao día.
NOS_41738
A asociación galega Hostalaría.gal cre que os asaltos que se incrementaron nos últimos meses teñen un impacto moi negativo na economía destes negocios e causan inseguridade e temor no conxunto da veciñanza.
Os comercios e a hostalaría da vila de Noia e a súa comarca están a vivir o pesadelo do incremento de roubos nos seus estabelecementos. Lois Lopes: "Se non se fai algo, o desastre pode ser maior" No mes de agosto xa algúns deles informaban de polo menos tres na zona do centro, algúns de pouca cantidade de diñeiro mais si de danos de certo valor. Noutros casos os importes substraídos superaron os 1.000 euros. Esta mesma semana, segundo transcendeu, dous foron os negocios afectados por esta situación en Noia. En total, máis de dez locais de hostalaría padeceron roubos nos últimos meses. Diante desta situación, a asociación empresarial Hostalaria.gal, a través dun comunicado, amosou a súa "preocupación" polo que consideran unha "prolongada e persistente sucesión de asaltos a establecementos do sector". Desde este colectivo hostaleiro pídeselle "tanto ás autoridades municipais como aos responsábeis dos corpos e forzas de seguridade que busquen unha solución inmediata a uns sucesos que están causando unha fonda intranquilidade nas empresas e os seus traballadores". Hostalaría indefensa A hostalaría de Noia transmitiulle a esta entidade a denuncia "que se sente indefensa diante da inseguridade xerada por reiterados roubos desde hai xa meses, que ademais teñen unha repercusión moi negativa tanto en perdas como á hora de desempeñar con normalidade a actividade". Que está a ocorrer no IES Virxe do Mar de Noia? "Indignación" no profesorado coa Consellaría de Educación Desde Hostalaría.gal concretan a súa petición de que "diante das demandas realizadas polos nosos asociados na vila de Noia, Hostalaria.gal exixe que se reforce a seguridade de forma particular polas noites, que é cando se están a producir a maior cantidade dos asaltos aos estabelecementos". Moitos dos negocios tomaron precaucións e xa están a levar a recadación diaria para que non estea nos horarios en que se producen os roubos.
NOS_32416
Resolvido o debate no seo da organización independentista e anti-capitalista: a CUP si se vai apresentar ás eleccións 'ilexítimas' do 21-D -ilexítimas por seren convocadas desde Madrid- e vaino facer cunha "candidatura rupturista, independentista e de esquerdas".
A Candidatura d'Unitat Popular (CUP) reuniuse este domingo en Asemblea Nacional Extraordinaria en Granollers para decidir que facer perante unhas eleccións que a propia organización tilda de "ilexítimas". No conclave tomaron parte 1.200 militantes. A primeira cuestión a decidir era se a CUP estaría ou non nos comicios. Resolveuse cun amplísimo apoio das bases á opción de concorrer o 21D. Votaron si a estar nas eleccións 91,63 por cento das persoas participantes na asemblea, en tanto que 7,83 se posicionaron encontra. Apenas houbo votos en branco (0,36 por cento) e nulos (0,18). A seguir, esclarecido que a formación anti-capitalista si iría estar o 21-D, a asemblea debía pronunciarse sobre o formato desa concorrencia. A militancia elixiu entre tres opcións: a) unha lista cidadá de país, sen país; b) unha coligazón o máis ampla posíbel en defensa da República e a liberdade dos presos políticos; c) liderar unha candidatura o máis ampla posíbel, rupturista, independentista e de esquerdas. A opción c) foi claramente a máis votada, co 64,05 por cento dos apoios, face 21,72 por cento para a opción Bg e 12,59 para a C. Os votos brancos foron 1,28 por cento e os nulos, 0,36 por cento. Aínda que a opción c) votada polas súas bases non o indicaba explicitamente, todo indica que a formación vaise apresentar ás eleccións coas siglas coas que xa concorreu en setembro de 2015, isto é, CUP-Crida Constituent.
PRAZA_8327
Os rexedores do Bloque reuníronse en Compostela e denunciaron a quita aos aforros dos miles de familias galegas estafadas polos bancos. Elaboraron un manifesto de apoio.
Os rexedores do Bloque reunironse en Compostela e denunciaron a quita aos aforros dos miles de familias galegas estafadas polos bancos. Elaboraron un manifesto de apoio e puxéronse a disposición dos afectados "para cantas accións reivindicativas decidan desenvolver". O manifesto rexeita a decisión de impoñer mediante Decreto lei unha quita do 43% do seu valor e considera que "esta é unha expropiación inxusta e un roubo a máis de 62 000 familias deste país que son veciñas e veciños nosos. Como país, isto significa unha drenaxe de 600 millóns de euros de aforro galego que vai engordar o sistema fnanceiro español". Puxéronse a disposición dos afectados "para cantas accións reivindicativas decidan desenvolver" O texto trata tamén outras cuestións, coma a reforma da administración local: "Denunciamos o retroceso democrático que supón o Anteproxecto de lei de racionalización e sustentabilidade da Administración local por, entre outras cuestións, conceder maiores competencias a instancias non elixidas pola poboación, como as deputacións, os secretarios e, sobre todo, os interventores, que pasan a depender do estado". E engade que "este anteproxecto pon en perigo a prestación de servizos sociais básicos para a cidadanía, sobre todo nun contexto de crise como o actual". De igual xeito reclaman "que non desaparezan as funcións dos concellos de menos de 20 000 habitantes, un número considerábel no noso país" De igual xeito reclaman "que non desaparezan as funcións dos concellos de menos de 20 000 habitantes, un número considerábel no noso país". E esixen que non desapareza a posibilidade de os concellos realizaren actividades complementarias das competencias doutras administracións, vitais para garantirmos unha vida máis digna ás persoas que residen nos nosos municipios", en referencia "ao feito de ficaren prohibidas, na práctica e con esta lexislación, áreas como Igualdade, Xuventude, Normalización Lingüística, Promoción Económica, así como o ámbito educativo e sanitario, os servizos sociais non de base". Manifesto elaborado polos alcaldes do BNG
PRAZA_8084
Os distintos informes dos sindicatos sobre a situación do mercado laboral en Galicia descobren os efectos da crise, os recortes e a reforma laboral sobre o emprego feminino, caracterizado xa pola temporalidade e a desigualdade salarial cos homes.
Precariedade, paro, temporalidade e desigualdade. A situación da muller no mercado laboral en Galicia empeora, e moito, por mor da crise. Os diversos informes que os principais sindicatos do país elaboraron con motivo do Día Internacional da Muller para analizar os efectos da recesión no emprego feminino coinciden en destacar a consecuencia "letal" que para elas ten a aplicación da reforma laboral, que acentúa unha destrución de emprego que xa é "brutal" e que aumentan os problemas entre un xénero que sofre as diferenzas salariais desde hai tempo. Tal e como destaca un último informe de UGT-Galicia, os salarios medios das mulleres foron en Galicia un 23,1% inferiores aos dos homes (o salario medio anual dos homes foi de 20.393 e o das mullleres de 15.688)", o que supón case 5.000 euros menos ao ano. Malia que o dato xa é negativo, o sindicato advirte de que, a causa da crise, "a muller cada vez está sendo máis a sustentadora dos fogares debido á maior incidencia do desemprego entre os homes". No inicio da crise, dez de cada cen empregos destruídos eran de mulleres; agora xa supoñen o 25% Pero a tendencia esta a cambiar. Así, tal e como lembra Mabel Pérez, secretaria de Muller de CCOO-Galicia, en 2008 dez de cada cen empregos destruídos eran ocupados por mullleres, mentres que catro anos despois, en 2012, esta porcentaxe ascendeu até o 25%, polo que se "acelera" a perda de emprego feminino, o que evidencia que a perda masiva de emprego masculino durante os primeiros anos da crise "non pode ocultar" a viraxe na tendencia. Da primeira etapa da recesión, que afectou de forma máis intensa aos homes, a unha segunda etapa na que se está a cebar coas mulleres, que suman case 148.000 en paro no país, fronte aos case 145.000 homes, segundo aclara a secretaria de Servizos Sociais e Políticas de Igualdade de UGT-Galicia, Carmen Brea. Trinta mulleres perderon diariamente o seu emprego durante o pasado ano Ademais, os datos da CIG son moi clarificadores. Durante o pasado ano, o descenso de ocupación afectou a 10.800 mullleres en Galicia ou, o que é o mesmo, unha media de trinta mulleres perderon diariamente o seu posto de traballo en 2012. Porque a taxa de paro feminino en Galicia "duplicouse nos últimos cinco anos" até alcanzar o 20%, tal e como destaca a responsable do Gabinete Técnico da central nacionalista, Natividade López, que repara tamén no feito de que "máis de 37.000 mozas galegas" tivesen que emigrar desde o comezo da crise económica en 2008, unha cifra que, de computarse nas estatísticas de desemprego, elevarían a taxa até o 25%. Unhas 37.000 mozas galegas emigraron desde o comezo da crise económica Aínda así, a situación laboral para as mulleres segue a ser moi prexudicial. A reforma laboral está a danar especialmente o emprego feminino nos últimos meses, malia que, como denuncian os sindicatos, en moitas ocasións non se visibilizan os seus despidos ao non estar incluídos en grandes ERE ou non ir acompañados de grandes mobilizacións, como ocorre no sector naval. O aumento do paro no sector servizos e os recortes nos servizos públicos afectan especialmente o emprego feminino A cuestión agrávase cando se repara na elevada destrución de emprego que se está a dar no sector servizos nos últimos meses, uns datos "moi preocupantes", xa que rachan cunha tendencia e que aumentan a incidencia da crise nas mulleres ao afectar a unha rama de actividade que ocupa "a máis do 80% das mulleres que desenvolven o traballo fóra do fogar". Algo semellante ocorre coa política de recortes instaurada polos gobernos da dereita e que supoñen "unha dobre penalización" para as mulleres, xa que son maioría neste ámbito e sobre elas acaba recaendo a responsabilidade de suplir os servizos que se deixan de prestar, ben sexa educación, sanidade ou dependencia. Do mesmo xeito, tamén aumenta o emprego a tempo parcial, o que afecta de maneira especial ás mulleres, que ocupan tres de cada catro postos no traballo temporal, o que acaba por afectar á cotización e ás prestacións por desempergo, que nas mulleres anda sobre o 58%, fronte ao 70,6% dos homes. Malia todos estes datos negativos, as cifras de poboación activa reflicten que a muller segue a incorporarse ao mercado laboral. De feito, as mulleres activas pasaron de 588.400 en 2008 a 614.300 en 2012, unha boa nova entre unha situación de desigualdade e precariedade que non acaba.
NOS_16032
O mozo do Carballiño estivo arroupado en Madrid por ducias de persoas que se desprazaron desde Galiza. A vista realizarase o vindeiro 25 de xuño
O xuízo contra Emilio cao, o mozo do Carballiño para o que a Fiscalía pide 5 anos de prisión "por 'agresión e atentado á autoridade' nas Marchas da Dignidade de 2014, non se realizou. Segundo informan desde a Plataforma pola absolución de Emilio Cao, a vista non tivo lugar ao non presentarse unha das policías que ía como testemuña. A vista será o 25 de xuño. O xuízo contra Emilio Cao, un mozo galego de 22 anos que participou en 2014 nunha Marcha da Dignidade en Madrid, quedou aprazado ante a incomparecencia dun dos policías supostamente agredidos polo acusado, que se atopa de baixa por maternidade. Con todo, afirman desde este colectivo, ducias de persoas acompañaron Emilio Cao nos Xulgados madrileños. O mozo declarou sentirse "nervoso", mais agradeceu as mostras de apoio e solidariedade. "A miña condena quere acabar con toda disidencia política", afirmou. O portavoz da Plataforma de familiares e amigas de Emilio Cao, Pepe Arias, salientou que "a Galiza que se move está presente en Madrid para reivindicar a libre absolución, tras catro anos de espera e coa confianza de que se resolva positivamente». O manifesto pola absolución de Emilio Cao conta co apoio de representantes políticos de En Marea e o BNG e o apoio expreso dos alcaldes de Santiago, Martiño Noriega; Ferrol, Jorge Suárez; A Coruña, Xulio Ferreiro; Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Pontevedra e Carballiño, Francisco Fumega, xunto con personalidades destacadas da sociedade civil en Galiza que suman xa máis de 700 sinaturas.
PRAZA_20584
O proxecto nacional, o proxecto galeguista, ha seducir demostrando na práctica que sabe xerar benestar para a xente, que o autogoberno é a fonte das solucións e que dependermos do Estado e da súa falsa solidariedade é o camiño cara á pobreza e a irrelevancia
Somos persoas cidadás do mundo. Mais facemos parte dunha identidade nacional, dun país, dunha patria…O patriotismo non bate co universalismo, para sermos persoas precisamos raíces, para pensarmos en global precisamos actuar localmente. O agarimo polo propio, o respecto e adhesión á propia identidade é un fenómeno sán e común na nosa contorna. Himno, bandeira e día nacional son constantes nas celebracións patrióticas doutros países. Se os USA celebran o 4 de xullo e os franceses o 14 máis xustificado estará que celebremos o noso Día Nacional ou da Patria o 25. Negaron a nosa identidade nacional durante séculos e, xa que logo, haberíamos visibilizar moito máis os nosos sinais de identidade. Mais cómpre termos en conta que a meirande parte da poboación non adhire estas celebracións identitarias, o que non quita que moitos teñan Galicia como o seu referente, malia que non partillen unha definición galeguista. Velaí que o proxecto nacional galego teña de propor á cidadanía un patrotismo moito máis cívico ca identitario, moito máis republicano ca esencialista. O proxecto nacional, o proxecto galeguista, ha seducir demostrando na práctica que sabe xerar benestar para a xente, que o autogoberno é a fonte das solucións e que dependermos do Estado e da súa falsa solidariedade é o camiño cara á pobreza e a irrelevancia. O proxecto nacional, o proxecto galeguista, ha seducir demostrando na práctica que sabe xerar benestar para a xente, que o autogoberno é a fonte das solucións e que dependermos do Estado e da súa falsa solidariedade é o camiño cara á pobreza e a irrelevancia Porque Galicia, como pequeno país europeo de menos de tres millóns de habitantes (5% do PIB estatal, 5,4% da poboación do Estado) asenta a súa economía nuns alicerces que son para o Estado prescindíbeis. Isto quere dicir que para o noso benestar precisamos gobernarmos. Moito máis ca Catalunya ou Euskadi, que inflúen máis na economía española. Qué autogoberno precisamos? Independencia, cosoberanía, ampliación estatutaria…? Non é doado respostar esta pregunta. Mais si cómpre apuntar que o noso benestar precisa que as nosas institucions de autogoberno teñan verdadeiros poderes que hoxe non teñen, como fixar os contidos educativos, lexislar a administración local, resgatar ou fixar as peaxes da AP-9, xestionar os nosos portos e aeroportos e recadar os impostos. Mentres, o Estado español semella tender máis á recentralizar as poucas competencias que o Poder Galego ten antes que redeseñar o Estado a xeito plurinacional e en rede, como esixe a evolución dos tempos.
NOS_13407
A voz de Xela Arias recitando versos do seu derradeiro poemario, Intempériome, en diálogo coa música de Fernando Abreu, Mónica de Nut e Pablo Carrera, marcou o comezo do acto central do Día das Letras Galegas, unha conmemoración na que Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas pronunciaron as alocucións académicas sobre a autora á que a RAG dedica este 17 de maio
A Real Academia Galega (RAG) celebrou esta segunda feira unha sesión plenaria extraordinaria con motivo do Día das Letras Galegas, dedicado neste 2021 a Xela Arias, no que se puxo en valor a pertenza da poeta a unha xeración "enerxética e ilusionante", así como "a significación" da familia na súa vida. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, manifestou que, no marco das actividades que están a realizar este ano polas Letras Galegas, escolleron Vigo para celebrar o acto grande porque esta cidade "foi o espazo creativo, emocional, familiar e profesional onde Xela Arias desenvolveu a maior parte da súa vida". Acto seguido, reivindicou que a xornada deste 17 de maio "é moito máis que unha xornada festiva", é unha ocasión para reivindicar a activación do uso da lingua galega "non só na vida litúrxica, senón na vida", ante o que remarcou que ten especial relevancia o traballo que se realice "coas novas xeracións". O evento arrincou cunha actuación musical de Fernando Abreu, Mónica de Nut e Pablo Carreira, a partir dun dos textos da homenaxeada. Após iso, a secretaria da RAG, Margarita Ledo, leu o acordo do plenario no que se determinou que o Día das Letras Galegas de 2021 dedicaríase a Xela Arias Castaño. "Escribo en galego porque estou aquí, e desde logo, Galiza pertence, aínda, aos derrotados", deixou dito a autora. Lembrouno Ana Romaní, quen advertiu que o seu é o idioma da xustiza social. "Sometido ao espolio, regulado para se ensumir, decretado para a insignificancia, ese idioma é o animal ferido no que reclama faite indómita nun dos poemas das mobilizacións de Nunca Máis", engadiu. "Nos poemas, nas poéticas, conviven a mágoa por un idioma oprimido e condicionado por outro, coa ledicia de quen escribe nunha lingua que viviu salvaxe durante tantos anos, brincando matos, montes e pradairas. Lingua ventureira, lingua brava para a que Xela ten o propósito de a converter en lingua de cultura", afondou Marilar Aleixandre. "Fala que serve para ensinar ciencias naturais ou matemáticas, malia haber agora un decreto que nega as matemáticas en galego. Idioma que serve para, a través del, falaren Joyce, Cervantes, Angela Carter, Bram Stoker, Jean Rhys", recordou. "Creo que traduzo o seu pensamento ao dicir que o galego estará plenamente asentado cando consigamos que se lea en galego a literatura escrita en inglés ou francés. Xela sabe que nin traducir é unha forma menor da escrita, nin a tradutora é traidora, senón actriz da palabra", concluíu. Manuel Rivas, pola súa banda, lembrou que "está nas nosas mans frear os procesos de desfeita ecolóxica e lingüística, que nos sitúan ante un verdadeiro estado de emerxencia, no que o dilema é: comunidade ou caos, biodiversidade ou bioperversidade, extinción ou desextinción, perda ou rescate".
NOS_43522
SyC, empresa concesionaria da Inspección Técnica de Vehículos (ITV) na Galiza, despediu a Antonio Rosales, delegado da CIG desde 2005, nun caso que a central nacionalista cualifica de delito contra a liberdade sindical. A CIG presentará querela criminal contra a concesionaria
A sala 5 do Xulgado do Social número 2 de Pontevedra acolleu estes días o xuizo polo despedimento pola empresa SyC de Antonio Rosales, delegado sindical da CIG, que alegou para esa decisión unha suposta utilización de horas sindicais sen xustificar. Tanto Rosales como a central nacionalista negan que ese sexa o motivo real do despedimento ("a propia empresa recoñeceu no xuizo que sempre lle notifiquei con antelación suficiente que ía facer uso das horas") e apuntan unha estratexia da concesionaria para calar o traballo "incómodo" que desenvolve o sindicato para os intereses da patronal. Despedírono após a negativa da CIG de asinar un convenio colectivo que discriminaba os traballadores con discapacidade intelectual... Fun elexido delegado sindical en 2005 pola CIG e este sindicato sempre tivo unha traxectoria de loita e reivindicación en defensa dos traballadores. Na negociación do convenio, que CCOO e UGT aprobaron finalmente, consideramos que se excluía un sector dos traballadores da concesionaria, os da limpeza, que teñen discapacidade intelectual. E iso é unha bestialidade, por iso nos opuxemos e opoñemos ao convenio. Eses traballadores quedan excluídos, o seu salario non está regulado por convenio, non perciben unha paga extra que si reciben o resto de traballadores, cambiánlle os horarios... Mais a empresa alegou para o seu despedimento a utilización de horas sindicais sen xustificar... Iso é mentira. Os representantes dos traballadores estamos obrigados só a comunicar o uso das horas, non a pedir permiso. No proceso de negociación do convenio avisei cunha semana de antelación dos días que collía para esta tarefa. Ao principio, na empresa non puxeron problema. Mais cando comecei a visitar todas as estacións, a falar e debatir cos traballadores, a informar, cando se comezou a xerar un clima de opinión...A actitude cambiou. Obrigábanme a xustificar as horas con antelación e fíxeno, mais na CIG xa se advertira á empresa que estaba a coartar a liberdade sindical. E despedírono... A empresa botou un pulso. A CIG moléstalles, porque non nos deixamos manipular. Cando foi o acto de conciliación no SMAC viñeron cunha oferta de cartos mais non aceptei porque isto é unha loita pola dignidade, non económica. No xuízo presentamos 70 denuncias asinadas por min ao longo destes anos contra a empresa por diferentes cuestións. E en 2007 impulsei unha folga nas ITV da provincia de Pontevedra que durou catro meses e que finalizou con importantes conquistas para os traballadores, non só de Pontevedra, senón de Galiza, como unha paga extra de 500 euros para tod@s ou que as negociacións teñan que ser consensuadas co persoal. SyC despídeme porque se queren desfacer dun elemento incómodo.
NOS_15326
Unha das apostas máis singulares do verán galego regresa na última fin de semana de agosto a Monterroso. É a terceira edición do Festival Agrogay da Ulloa.
O Festival Agrogay da Ulloa, que ten por lema 'Son Agrogay', celebrarase novamente na Granxa Maruxa –situada na localidade de Cumbraos, a 3 km de Monterroso– e na propia vila de Monterroso (Lugo). O festival ten como principal obxectivo visibilizar un rural afectivo e sexualmente diverso. Ademais, aposta por amosar, defender e pór en valor outros principios como a sustentabilidade, o respecto ao patrimonio material e inmaterial e o ecoloxismo. Nesta edición queren darlle especial visibilidade a "esa muller do rural, verdadeiro soporte dunha forma de vida e produción en íntima conexión coa terra. A todas esas mulleres anónimas e silandeiras que, sabéndose diferentes na súa afectividade e renunciando incluso ao amor, deron a súa vida e sabedoría polo mantemento da vida no rural. Os Modernos, Chévere e a Banda das Crechas A programación do Festival ten como cabezas de cartel aos Modernos e á Banda das Crechas, cuxo vocalista -Davide Salvado- é un dos promotores do evento. Ademais, tamén haberá mostra de curtametraxes agrogays, DJs, teatro, contacontos e outros concertos. Todo comeza a sexta feira 26 de agosto na praza do Alcalde de Monterroso, onde terá lugar unha mostra de curtametraxes agrogays e logo senllos concertos de Sofía Espiñeira e Os Modernos. A xornada do sábado 27 terá lugar na Granxa Maruxa de Cumbraos, onde haberá unha feira de artesanía, un posto de loita tradicional galega, ioga e unha mesa redonda en torno ás minorías LGTBQI e o rural. Ademais da sesión vermú co grupo As Boubas, haberá contacontos a cargo de Brais das Hortas e a compañía Chévere ofrecerá o espectáculo 'As fillas bravas'. O fin de festa na Granxa chega co concerto da Banda das Crechas. Logo pola noite farán un roteiro de integración na vila de Monterroso polos bares 'agrogay friendly' e o festival rematará na carballeira da Área Natural A Peneda cunha sesión golfa con Moreno Moreno DJ. Premios á Visibilidade Agrogay Ademais, lerán un manifesto e entregarán os premios á Visibilidade Agrogay. Lembramos que este festival está organizado polo Colectivo Agrogay da Ulloa. Trátase dun evento autosustentado, sen ánimo de lucro e "coa única intención de alcanzar os obxectivos anteriormente descritos e cubrir os gastos xerados pola organización do evento".
NOS_4942
O representante tamén destaca que, na situación de crise sanitaria e económica actual, "esta ha de ser a lexislatura das persoas". "O Parlamento vai ter que estar á altura", asume nunha entrevista radiofónica.
O presidente do Parlamento, Miguel Santalices (PP) afirmou hoxe, no decorrer dunha entrevista radiofónica en RNE, que supón "que si" terán ditame da comisión de investigación das caixas de aforros galegas (Caixa Galicia e Caixanova) durante esta lexislatura, que xa é a terceira na que se crea o grupo de traballo. De feito, para o popular houbo "moitos acontecementos que foron xurdindo" nos últimos tempos que agora "se poderán incorporar" as conclusións. A comisión revitalizouse de forma oficial o 11 de decembro de 2020 e poucos días despois -pero sete anos máis tarde de que fora demandado por primeira vez e seis meses após dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que obrigaba a entregado- o Executivo de Alberto Núñez Feixoo fixo chegar ao Parlamento o informe do que falaba a ex conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás. Con este se avalou a unión das entidades. O representante da Cámara recoñeceu que será "interesante ver cal é a opinión e á conclusión a que se chega", pero na conversa que recolleu Europa Press non informou de ningunha data clara para ter ese informe final. Respecto da comisión para reactivar a economía e a sanidade do país após a pandemia, o presidente afirmou que "sería bo" que houbese un achegamento de posturas de cara ao ditame que xa se atopa en elaboración, porque nas súas sucesivas sesións "se falou de temas que teñen incidencia no eido sanitario, no social e no económico". Ademais, aludiu á importancia das persoas nesta lexislatura, dadas as circunstancias que decorren. "O Parlamento vai ter que estar á altura", comentou, aludindo a que sería positivo que se dea certo "consenso, sobre todo en temas de transcendencia para Galiza". Pensa que o feito de que haxa menos distribución de asentos por entrar só tres partidos na composición da Cámara vai axudar. Lei de saúde Santalices tamén explicou que a reforma da lei de saúde anunciada por Feixoo é necesaria e pediu (nunha mensaxe ao aire destinada ao Goberno do Estado español) que se lle posibilite a "axilidade" aos territorios para tomar decisión en plena pandemia. Pese ás críticas dos grupos da oposición (BNG e PSdeG), comentou que aínda "se pode enriquecer moito" o proxecto normativo na tramitación, á vez que deslizou que "sería bo que nesta situación tan especial" se achegasen posturas. Esa realidade "tan especial" chegou tamén ao Pazo do Hórreo onde se deron "todo tipo de facilidades" para adaptar o traballo e adoptar medidas que "non eran sinxelas", coma o teletraballo, a ampliación dos trámites que se poden facer por vía telemática e a redución da presenza de deputadas e deputados nos plenos.
NOS_33296
A parroquia de Baredo, en Baiona, sufriu esta fin de semana un total de tres incendios que afectan unha superficie de 30 hectáreas, segundo informa a Consellaría do Medio Rural nun comunicado. O impacto pode apreciarse na ría de Vigo, cuberta polo fume.
Tres incendios afectaron esta fin de semana a Baiona. Rexistráronse na parroquia de Baredo e afectan unha superficie de 30 hectáreas. O primeiro dos lumes rexistrouse pasadas as 00.30h do sábado e ficou controlado ás 8.30h deste domingo. Os outros dous incendios comezaron á 1h do domingo e aínda se traballa na súa extinción. Os efectos destes incendios percíbense desde toda a comarca. Segundo informa a veciñanza, a ría de Vigo está afectada polo fume.
NOS_36730
A seguir reproducimos un extracto da lección 7 do curso de galego, sobre interferencias sintácticas, que Nós Diario publica hoxe. 'Curso de lingua galega: Mellor uso, máis calidade para o idioma' diríxese a todos os públicos e publícase a diaro nas catro páxinas centrais do xornal impreso.
Introdución Na sintaxe non son tan frecuentes as interferencias do español, polo menos se o compararmos coa demoledora presenza de castelanismos léxicos. Con todo temos algunhas que convén identificar e evitar. 1 Ausencia do artigo diante dos posesivos. 2. A incorrecta colocación do pronome átono. 3. O emprego da preposición a na perífrase ir+infinitivo. 4. O complemento directo sen preposición Verémolas en detalle nos seguintes apartados. Posesivos Ausencia do artigo diante dos posesivos Na nosa lingua é obrigado utilizar o artigo cando o posesivo vai diante dun substantivo: —O meu traballo é complexo, mais gosto del. —*Meu traballo é complexo, mais gosto del. —A miña intención é non cometer erros. —*Miña intención é non cometer erros. Excepto se levar un determinante: —Estes teus cans non paran de ouvear. —Non entendo esas túas manías. Porén, é permitido prescindir del nalgúns casos: Cos nomes de parentesco [opcional] —Miña nai traballa de capataza forestal. —A miña nai traballa de capataza forestal. —Teu avó conta unhas historias moi interesantes. —O teu avó conta unhas historias moi interesantes. —Miña irmá sempre está de brincadeira. —O meu fillo estuda inglés e portugués no bacharelato. En exclamacións e vocativos —Como che vai, meu amigo! —Miña madriña, que cousas se ven! Con nomes referidos a seres únicos ou a dignidades —Nosa Señora da Estrela está nun campiño raso (popular) —Meu Deus, que paciencia hai que ter! Nalgunhas frases feitas —Meu dito, meu feito. A pesar de non ser este un dos erros máis frecuentes, aínda podemos escoitar (e ver escrito) un uso incorrecto do posesivo sen artigo. Tratemos de o evitar: —*Sabemos que nosos recursos pesqueiros son limitados. —Sabemos que os nosos recursos pesqueiros son limitados. Podes acceder ao resto da lección 7 adquirindo Nós Diario nos quiosques ou ben na nube. 'Curso de lingua galega: Mellor uso, máis calidade para o idioma' Sermos Galiza S.A. como empresa e Nós Diario como cabeceira dixital e en papel, está fundacionalmente comprometida coa normalización lingüística e, especialmente, coa mellora da calidade da lingua que empregamos, tanto na que usamos como na que queremos ver usada pola maior parte da sociedade. Neste curso -composto por 15 leccións- e que se desenvolve nas catro páxinas centrais do xornal impreso, ponse máis o foco en afianzar usos do que en ensinar gramática, pois o coñecemento correcto da gramática está, moitas veces, interferido pola presenza do español como lingua Como conseguilo? As persoas subscritoras, ben en papel ben na versión de acceso na nube, terán á súa disposición, nas páxinas centrais de Nós Diario, desde o 5 de maio, o curso de balde. As persoas que aínda non son subscritoras poden facerse ou ben adquirir o diario en papel nos quiosques e puntos de venda habituais por 1,50 euros de terzas a sextas feiras e por 3 euros os sábados (día en que se inclúe o semanario Sermos Galiza) ou ben mercalo para a súa lectura na nube.
PRAZA_6355
Allariz podería presumir de ser, na súa dimensión poboacional, a vila mais parecida ás que se poden atopar na Franza ou en Inglaterra. E ademais, promovida por xestores públicos pertencentes a unha corrente política acusada de antieuropeísta
Se alguén percorre as estradas inglesas e francesas como forma de acadar unha desexábel desconexión estival terá serios problemas para facer efectivo semellante obxectivo. Porque se mantén os ollos abertos e posúe unha mínima sensibilidade valorativa non poderá deixar de percibir as diferenzas abismais entre a ordenación urbanística dominante neses países e na Galiza actual. Os contrastes resultarán aínda mais agudos se observa a coidada estética dos lugares e das vilas que aparecen nos traxectos viaxeiros mais utilizados. Daquela, o lecer mesturase, case inevitabelmente, coa melancolía sobre o tempo perdido na ordenación territorial do noso Pais. Os anos transcorridos na vida das corporacións municipais democráticas constitúen un período suficiente para establecer conclusións fundadas a respeito do comportamento destas institucións e dos votantes que configuraron as equipas de goberno. É certo que o franquismo non foi só un réxime político antidemocrático: ergueu, asemade, un sistema de corrupción estrutural e permanente que hipotecou calquera práctica de xestión das administracións locais e da propia relación da sociedade con eses organismos.Pero tamén é verdade que, a partir de 1979, a grande maioría da elite política instalada na vida municipal non foi quen de apostar pola revalorización do patrimonio colectivo que se practicaba nas sociedades europeas veciñas. Nin sequera soubo copiar o que xa se podía ver nas viaxes institucionais ou nas visitas turísticas privadas. Allariz podería presumir de ser, na súa dimensión poboacional, a vila mais parecida ás que se poden atopar na Franza ou en Inglaterra. E ademais, promovida por xestores públicos pertencentes a unha corrente política acusada de antieuropeísta A nosa historia recente ofrece paradoxos dignos de ser destacados. Allariz lembrou, hai poucos días, o conxunto de transformacións operadas dende 1989 e podería presumir de ser, na súa dimensión poboacional, a vila mais parecida ás que se poden atopar na Franza ou en Inglaterra. O que naqueles países representou un proceso relativamente normal, aquí foi –e segue sendo- un exemplo singular, pouco imitado aínda que teña sido unanimemente loubado. E ademais, promovido por xestores públicos pertencentes a unha corrente política acusada de antieuropeísta por quen identificaban abusivamente a lexítima discrepancia coas características do modelo económico e social dominante na UE co suposto cuestionamento de todos os valores asociados ás tradicións políticas e culturais europeas. Os que outorgan credenciais de europeísmo auténtico deberían saber que se, nesta materia, a UE tivese esixido unhas condicións análogas ás fixadas no Tratado de Maastricht para determinadas variábeis macroeconómicas, Galiza, e tamén o Estado español, aínda estarían petando nas portas do club residenciado en Bruselas.
NOS_8756
Activista, agrarista francés, símbolo de resistencia á globalización, José Bové estará no país na quinta feira, 1 de maio, para respaldar á candidata do BNG, coa que partillou nesta lexislatura traballo na Eurocámara.
É, desde hai anos, o rostro coñecido en gran parte de Europa por simbolizar a resistencia e o combate contra a Globalización, a Troika e na defensa do dereito a vivir e producir con dignidade. José Bové, activista francés, estará esta quinta feira1 de maio na Galiza. O motivo, apoiar á candidata do BNG nas eleccións do vindeiro 25 de maio, Ana Miranda. Bové, alcumado Asterix, é o Candidato do Grupo Verdes/ALE á presidencia da Comisión Europea. Participará na manifestación do 1º de Maio en Vigo con Ana Miranda, o portavoz nacional, Xavier Vence, e unha ampla representación do BNG, nunha xornada de apoio á candidata nacionalista, que incluirá unha comparecencia ante os medios de comunicación e, xa en Santiago de Compostela, un acto con agricultores, gandeiros e ecoloxistas. Labrego, símbolo da loita contra a globalización e as multinacionais da alimentación, como eurodeputado nesta Lexislatura exerceu como portavoz na defensa da proposta do Grupo Verdes/ALE para unha Política Agraria Común (PAC) pensada "para os que viven traballando a terra e non para os rendistas da terra", en coincidencia coas propostas formuladas polo BNG a través de Ana Miranda.
NOS_30013
A Asociación Española de Pediatría, aliás, salienta os "claros beneficios" da ensinanza presencial.
A Asociación Española de Pediatría (AEP), a través do seu grupo de traballo de Reapertura da Escolarización, vén de propor un calendario para a "retirada progresiva" das máscaras nos recintos escolares. Nun documento que foi remitido esta mesma semana ás institucións sanitarias e educativas, os pediatras expoñen a retirada "inmediata" da obrigatoriedade do uso das máscaras en exteriores para todo o alumnado e a retirada "progresiva" da obrigatoriedade en interiores, cun reforzo dos protocolos de ventilación. Retirada progresiva En primeiro e segundo de Primaria, esta retirada produciríase a partir da segunda feira 28 de febreiro; en terceiro e cuarto de Primaria, a partir da segunda feira 14 de marzo; en quinto e sexto de Primaria a partir do 28 de marzo; en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), a partir do 25 de abril, e en Bacharelato, a partir do 9 de maio. A AEP salienta a importancia de continuar fomentando a vacinación contra a Covid-19, sobre todo entre a rapazada menor de 12 anos, e móstrase partidaria de restrinxir a obrigatoriedade de corentena a 7 días unicamente a aqueles nenos e nenas confirmadas como positivas, eliminando o resto das recomendacións actuais. "O menor impacto clínico da variante Ómicron da Covid-19 e a elevada cobertura vacinal da poboación española permitiron mudar o paradigma do manexo da situación pandémica no Estado", sosteñen. Actualmente, din, cómpre "centrar os esforzos en previr os casos con maior impacto clínico e focalizar as enerxías en protexer a poboación máis vulnerábel a través da vixilancia epidemiolóxica por parte dunha serie de centros sentinelas repartidos polo territorio que monitoren a situación para detectar gromos e mudanzas nas tendencias epidemiolóxicas e no comportamento do virus ou das súas eventuais novas variantes", lembran os expertos do grupo de traballo de Reapertura da Escolarización da AEP. Os "beneficios" da educación presencial Aliás, o coordinador deste grupo, Quique Bassat, avogou esta terza feira por retomar a presencialidade total nas aulas, cuxos beneficios "son claros e importantísimos para a aprendizaxe, mais especialmente para a integración psicosocial e adaptativa dos menores, e é fundamental para devolver á rapazada unha experiencia educativa normalizada e sen disrupcións".
NOS_23015
A vespa velutina converteuse nunha das especies exóticas invasoras máis daniñas para a biodiversidade e a economía galegas. Un estudo pioneiro, realizado por investigadoras da Universidade de Vigo, confirma que a avespa asiática afecta aos insectos polinizadores e tamén á polinización das plantas.
Por primeira vez, unha investigación constata o impacto negativo da vespa velutina na polinización. Afecta ao comportamento dos insectos polinizadores e á reprodución das plantas. O estudo, asinado polas investigadoras Sandra Rojas e María Calviño, do departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, centrouse na observación dos insectos en contornas concretas das áreas invadidas e acaba de ser publicado na revista científica Biological Invasions baixo o título "The invasive hornet Vespa velutina affects pollination of a wild plant through changes in abundance and behaviour of floral visitors". As abellas do mel cambian o seu comportamento e as súas preferencias alimenticias. "Estudamos a polinización da planta Mentha suaveolens, unha herba medicinal, fragrante, moi común no sur e no oeste de Europa", explica Sandra Rojas a Nós Diario. "Dá alimento a moitos insectos, que a visitan para tomar néctar ou recoller pole, sobre todo cando no ambiente hai poucas flores doutras plantas, xa avanzado o verán", engade. Nese contexto, na zona das Rías Baixas, Rojas e Calviño estudaron o comportamento da vespa velutina mais dos visitantes florais do mentraste, tamén coñecido como menta do burro. "O que fai a velutina é patrullar a planta e atrapar os insectos. Cázaos ao voo ou mentres están pousados na flor recollendo pole. Atrápaos, sácalles as ás e as patas, e leva o resto do insecto, principalmente o tórax, ao niño, para alimentar as larvas", describe Sandra Rojas. Fronte á velutina, os abellóns perden eficiencia como polinizadores. O que sucede, detalla a investigadora, é que os insectos teñen os seus mecanismos para evitar a depredación e defender a súa vida. "É unha das forzas ecolóxicas importantes para calquera animal". Así, insectos sociais como as abellas do mel, os abellóns ou outras avespas, que poden comunicarse entre si, a través duns sistemas de comunicación moi complexos, o que fan é dar aviso. "Nas colonias, as abellas informan as irmás de cales son os bos recursos e cales os perigosos, onde encontrar uns e outros. Polo tanto, as abellas do mel non só recoñecen a velutina como unha depredadora fronte ás súas colmeas, tamén nos seus recursos", observa Rojas. E o que fan é visitar menos esa planta. "Recoñécena perigosa e cambian o seu comportamento ademais das súas preferencias alimenticias". A paisaxe, en risco Tamén observaron cambios noutros grupos de insectos. "Os abellóns teñen unha resposta similar. O que fan é visitar estas flores moito máis rápido, e iso afecta o seu labor como polinizadores. Canto máis tempo dedican a extraer recursos máis enchen o corpo de pole e máis depositan nas estruturas reprodutivas das flores". Ao iren máis rápido, perden eficiencia como polinizadores. Así, confirman as investigadoras, desde o punto de vista da biodiversidade a velutina causa un impacto directo por depredación, "porque están sacando do ambiente unha diversidade de insectos", e un impacto indirecto a nivel ecolóxico. "Está cambiando a reprodución das plantas. Ao afectar a polinización compromete a reprodución, as novas xeracións e, á súa vez, toda a paisaxe ecolóxica". Control da especie Ademais de avaliar o impacto da velutina nos insectos polinizadores, o grupo de investigación da Universidade de Vigo no que participan Sandra Rojas e María Calviño desenvolven outras vías de estudo simultáneas dedicadas ao control da especie na Galiza e á mellora das trampas coas que se lles vén dando caza nos últimos anos. "Estamos ante unha especie que ten unha alta taxa reprodutiva, que conta cunha gran capacidade de expansión e que se adapta moi facilmente a diferentes ambientes. Precisamos trampas máis eficaces e selectivas, porque as que se usan capturan insectos que a velutina normalmente non come", o que implica un impacto indirecto desta invasora a través do ser humano. A protección das abellarizas e o control biolóxico son dúas das liñas de investigación nas que traballan. Neste sentido, defenden a caza de raíñas no seu ambiente como medida máis efectiva para reducir poboación, sen esquecer as arpas eléctricas nin o uso de feromonas, aínda en investigación. Unha invasora con moito éxito Hai máis dunha década, a velutina chegou accidentalmente a Europa, procedente do sueste asiático. A súa expansión foi rápida e efectiva. Tamén na Galiza, un dos territorios máis castigados por esta especie exótica invasora, que ademais dun efecto ecolóxico ten consecuencias negativas sobre a economía e a saúde das persoas. "Tratamos de combatela con todos os medios dispoñíbeis e foi moi complicado frear o proceso de invasión. Quero pensar que poderemos reducir a súa poboación ou, polo menos, o seu impacto. Pero é moi difícil exterminar por completo unha especie exótica invasora que ten tanto éxito, salvo que a propia natureza nos axude", sinala Sandra Rojas, integrante do proxecto europeo Atlantic-Positive, para o estudo e control da vespa velutina.