ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_46381 | A axitación que está a producirse arredor das Tanxugueiras chegou tamén ao ámbito do ensino. Veñen para quedar é unha unidade didáctica que Cándido Paniagua, profesor de lingua e literatura galega, preparou para o seu alumnado co fin de traballar o idioma a través da música e a cultura galega. | Como nace esta idea? A iniciativa xurdiu da miña idea de dar as clases. Gústame introducir música, filmes e todo o que teña que ver coa cultura galega. Desde principio de curso, si que é certo que me centrei especialmente na música, en ver que grupos que coñecía o alumnado, que tipo de música escoitaba e se coñecía música en galego. A realidade é o coñecemento non é moi amplo, sobre todo con grupos actuais, pero todo xiraba un pouco en torno ás Tanxugueiras. Non sabían ningunha canción, pero a súa exposición si estaba presente. Logo, con todo isto do festival de Benidorm e demais, tiveron ese éxito e tentei levalo ás aulas para que se sentisen partícipes. Ese foi o propósito e a intención coa que naceu, poder trasladarlles esa realidade. No proxecto, atópanse exercicios relacionados con distintos ámbitos da lingua. Claro, hai actividades de todo tipo. Non é unha unidade que xire arredor das Tanxugueiras en si, senón que, a partir delas, podemos realizar certas actividades que quizais no día a día son máis aburridas ou teóricas, como poden ser a sociolingüística, o vocabulario ou mesmo a fonética. Quizais empregando outras cuestións máis afastadas non lles interesa tanto ou non o toman coas mesmas ganas. Cal foi o proceso de elaboración da unidade? Tiven que pensar que aspectos quería traballar, porque o que máis me interesaba era a cuestión da sociolingüística, que implican e que impacto teñen as Tanxugueiras neste momento para a sociedade galega. Non o quixen centrar soamente niso, tamén é unha actividade relacionada coa música, para achegarse ao folclore, ver as partes da pandeireta, traballar certo vocabulario... Levoume tempo pensar, sobre todo, como enfocalo, non so centrarme en dicir "estas son as mozas que poden ir a ese escenario", senón centrarme no que eu quería aportar. Dándolle voltas puiden chegar a todo isto. O proxecto vai máis alá do papel e achégase tamén ás redes sociais. Si. Creo que non hai que esquecer a parte de diversión ou de gamificación. Considero que o alumnado é o futuro, hoxe o futuro está nas redes sociais e nelas ten que estar o galego. Tratábase de unir catro piares, por iso a proposta de gravar un TikTok e subilo as redes. Partillar e crear contido, que se siga falando de todo isto. Realmente, o que fixen foi recompilar material. Para min, non resulta moi novidoso o que creei. Simplemente foi recoller un pouco o que anda pola rede, o que fixo outra xente como Esther ou Iago, coa única entrevista en galego en formato audiovisual que vin das Tanxugueiras. Logo tamén está O Galizard Queen, cun vídeo sobre a pronunciación da palabra. Levar todo ese contido e buscarlle aplicación didáctica, aproveitalo. Que o alumnado vexa que, se crea ese material, tamén é partícipe de todo o proceso e de todo o sistema. Como está a ser a acollida? Penso que o alumnado está máis motivado. Séntense identificados e é un factor importante. Polo que me está chegando doutros centros, tamén o están a levar a cabo e está indo moi ben. Foi algo que fixen para min, pero pódese adaptar a distintos niveis educativos, que é o que están a facer o resto compañeiros. Hai unha implicación moi boa, creo que a palabra é esa. É a primeira vez que leva a cabo un traballo deste tipo? Procuro, dentro das posibilidades que se nos dan, facer cousas que sexan aplicables ao día a día. Por exemplo, relacionar poesía e música creando listaxes en Spotify e descubrir así pequenos grupos. Que dun tema saia todo este material é a primeira vez. É complexo que unha canción se adecúe aos contidos, pero esta dábase moi ben. Préstase para traballar a diversidade lingüística, as variedades dialectais... contidos específicos de |
NOS_24644 | O artista urbano viaxou até a Faixa para lembrar o xenocidio que se continúa a cometer contra a poboación após asasinar Israel máis de 2 mil persoas etre xullo e agosto de 2014. VÍDEO NO INTERIOR. | Cesaron os bombardeos e a Faixa de Gaza deixou de ser noticia. Esa equidistancia que mantén a comunidade internacional a respeito do que acontece co pobo palestiniano motivou a viaxe do artista urbano Banksy. Através dos túneis que conectan a fronteira de Exipto co territorio gazatí o graffiteiro visitou Gaza. E fíxoo sorteando os checkpoints israelitas. En segredo e armado con botes de pintura e unha cámara. A súa viaxe tivo por obxecto focar a atención na situación que atinxe a poboación da Faixa. "Gaza é descrito a miúdo como 'o maior cárcere ao ar libre do mundo'", sinala Banksy no seu portal web. Porén, acrecenta, "iso semella un pouco inxusto coas prisións" onde "non teñen a auga potábel e a electricidade cortadas ao chou case todos os días". Con retranca mais cun ton acedo o artista urbano –de quen se descoñece a identidade-- difundíu através das redes sociais non só as imaxes dos seus graffittis senón tamén un vídeo. En apenas 1:55 minutos presenta 'un novo destino', afastado de lugares turísticos e ao que se accede por "unha rede de túneis ilegais", di. Do outro lado, un pobo destruído polos bombardeos israelitas. Sitiado polo exército de Israel e sen acceso a bens e servizos fundamentais como a auga corrente, suministros médicos, material escolar, comida, luz ou medicamentos. Escasea mesmo o cemento, como salienta Banksy no vídeo difundido através de Youtube. Segundo as Nacións Unidas no ataque do pasado ano, 'Bordo protector', foron destruídas aproximadamente 100 mil vivendas o que deixou a máis de 600 mil persoas sen acubillo. A entrada de material de construción procedente da UNWRA depende da autorización gobernamental de Israel polo que constitúe un goteo. Aliás, as autoridades palestinianas están a priorizar a recuperación e levantamento das infraestruturas públicas, principalmente hospitais –nos bombardeos de xullo e agosto foron destruídos 36 hospitais e centros médicos, segundo o Ministerio de Sanidade palestiniano. Perante esta realidade Banksy quixo "resaltar a destrución en Gaza mediante a publicación das fotos no meu sitio web", afirma que lle explicou a "un home da localidade que se me achegou". Cando o gazatí preguntou ao artista inglés que significaba o gato con lazo rosa debuxado entre edificios destruídos o gafitteiro contestou. "En Internet a xente só olla fotos de gatiños". |
NOS_18885 | Sabela Rei entrou en segunda posición na súa categoría na proba que tivo lugar este domingo no Pino. | Sabela Rei, cadete do Club Sar Vermú San Petroni, entrou en segunda posición na súa categoría na meta na Carreira pedrestre popular do Pino, que este domingo realizou a súa XV edición. Porén, esta atleta de Rois foi descualificada por levar unha camisola cun lema contra a mina de Touro-O Pino. Denúnciao o BNG, que considera inadmisíbel estes feitos. Segunda recolle a fronte nacionalista, a propia atleta afirma que non se arrepinte de levar esa prenda: "Fixen o que me indicaba o corazón e nada nin ninguén me impedirá manter os meus pensamentos e ideas". Foliada Este sábado, 5 de maio, decorrerá en Bama (campo da Festa), no concello de Touro, a 'Foliada contra a mina'. Organizada pola Plataforma Mina Non terá lugar a partir das 18:00 horas e haberá música, comida e bebida a prezos populares, sorteos… Entre as actuacións, Os do Xalo, Reviravolta, Fiadeira, VouVirVorVer ou MIni. |
NOS_238 | As mellores proxectaranse na terceira edición da mostra | Fronte á paralización de actividades culturais a causa da pandemia, a organización do Galician Freaky Film Festival lanza unha convocatoria para realizadoras audiovisuais, de nivel quer amador quer profesional, co fin de non perderen o "músculo creativo". Curta ou Susto busca obras dun máximo de 30 segundos de duración (sen ter en conta os créditos) nos que se transmita "calquera sensación que produza un forte arrepío nas espectadoras", seguindo coa liña temática que artella os contidos do evento. A participación está aberta até 30 de maio a través das redes sociais. As persoas que o desexen deben publicar a súa achega incrustada nas súas propias contas de Facebook, Instagram ou Twitter, seguir ao Galician Freaky Film Festival e empregaren o cancelo #CurtaOuSusto logo de etiquetar o festival. Os mellores traballos recibidos proxectaranse na terceira edición da mostra, que polo momento mantén as datas previstas inicialmente, entre o 28 e o 31 de outubro de 2020 sala Videodrome de Vigo. O certame regresará de novo á cidade co fin de ofrecer ao público todo tipo de filmes de terror e serie B, o "mellor do peor da industria cinematográfica" galega e tamén internacional. |
NOS_50231 | Fanse corenta anos da primeira promoción de Filoloxía Galego-Portuguesa. Vinte e cinco persoas que a finais dos 70 apostaron contra vento e maré nunha carreira recén nada, conscientes de que,como eles propios nos explica, "o futuro era unha incógnita" e motivados en boa medida polo "compromiso con Galiza". | A pouta da ditadura non esvaecera de todo e os 40 anos de represión e esmagamento da lingua e cultura galega estaban ben nídios. A década dos 70 preparábase para pasar o relevo á dos 80 e saía a primeira promoción de Filoloxía Galego-Portuguesa, unha colleita do 1978. Vinte e cinco persoas. Entre elas, Manuel Castelao, Vitoria Ogando, Anxa González Refoxo, Tareixa Roca, Ramona Giraldez, Anxo González Guerra, que achegan aquí reflexións e lembranzas sobre aquela carreira e aqueles anos. Corenta anos despois, reflexionan sobre aquel paso:"É difícil na actualidade comprender o que era o alumnado universitario da altura e, particularmente, o vivísimo compromiso coa Galiza que caracterizaba un amplo sector do estudantado. No noso caso, a decisión de seguir os estudos de Filoloxía Galego-Portuguesa era indisociábel dese galeguismo apaixonado, vivido e reflexionado". Lembran unha carreira presidida por "un ambiente de grande cordialidade entre os colegas e mesmo cos das outras especialidades", onde "as descubertas de cada un eran transmitidas e partilladas entre todos nun proceso de convivencia constante e de realimentación recíproca". "Eramos esponxas" Anos de aprendizaxe en tempos de mudanza. Cursaban unha carreira nova, chea de incógnitas, mais, afirman, "os nosos ollos e os nosos ouvidos non paraban de apañar información non apenas do país mais tamén do mundo lusófono. Eramos esponxas". "A decisión de seguir os estudos de Filoloxía Galego-Portuguesa era indisociábel dese galeguismo apaixonado, vivido e reflexionado". Son conscientes de que naquela altura desde resto da comunidade universitaria mirábaselles "con curiosidade e, tamén, unha inxenua visión de nós como apóstolos da lingua, obrigados a non sabemos cales misións imposíbeis....". Mozo e mozas que tiñan claro que ao escoller esta carreira "o futuro era unha incógnita total, por ben e por mal" Salienta, entre o profesorado, a Carvalho Calero, ao que cualifican de "figura impar", pois "a maior parte do profesorado ministraba materiais noutras áreas dos estudos de Filoloxía". Para ter conciencia do signo daqueles tempos, estes exalumnos aclaran que ao cursar os estudos "mesmo tivemos que facer algunha presión para que a docencia na nosa especialidade fose sempre en galego. Mais tamén é certo que tivemos o apoio incondicional dalgún profesor". A inserción laboral desta promoción "foi máis rápida do que á partida esperábamos", como eles propios recoñecen. "Infelizmente, a nosa incorporación ao ensino tivo que asistir e sufrir, xa desde os primeiros anos, a substitución perversa da cuestión da normalización pola da normativización, o ensino do galego parecía reducirse á imposición da normativa oficial con persecución e desprezo de todo o que non se situase nesa liña" Manteñen viva a lapa que alumeaban hai catro décadas, cando "críamos que a Galiza podía apañar as rendas do seu futuro nese momento da transición desde o franquismo e que podiamos exercer unha acción mobilizadora e de promoción da consciencia do país entre os nosos concidadáns". "O futuro era unha incógnita total" Hoxe en día Hai corenta anos formaron a primeira promoción de galego da historia do noso país. A pegunta é obrigada (Imaxinaban daquela que a situación do galego sería a que é hoxe en día.?), a resposta, contundente: "Nin nos nosos peores pesadelos podiamos imaxinar que a situación chegaría ao retroceso actual da presenza do galego na sociedade". "Nin nos nosos peores pesadelos podiamos imaxinar que a situación do galego chegaría ao retroceso actual" "A única normalización que se levou adiante foi a do castelán", lamentan, "naquela altura, a expectativa era a oposta: unha recuperación espectacular do uso do galego como lingua propia da nación. E a ese propósito se orientaron os numerosísimos traballos realizados por membros da promoción en múltiplas área da cultura galega, non apenas o ensino da lingua e a literatura, mais tamén no da creación literaria, a tradución, a lingüística, a filoloxía, a didáctica, a música, o audiovisual, o activismo social... " Nesa tarefa e compromiso están aínda hoxe en día: "A nosa vontade é seguirmos na batalla aínda que nos condenen ao ostracismo". |
NOS_18429 | Un falso bando tirado en nome do Concello de Compostela co gallo da visita de Felipe de Borbón á capital de Galiza está a dar que falar entre parte da veciñanza 'picheleir@'. Chama a poñer a bandeira española nos balcóns, a vestir con 'trajes regionales españoles' e andar co DNI na boca. | Un bando asinado polo Excelentísimo Alcalde de Compostela, Agustín Hernández 'El Nuevo', o que xa idea de por onde van os tiros, está a ser a bichicoma destas días entre parte dos e das picheleir@s. O bando é un 'fake' si, mais un 'fake' que "se non é vero é ben trobato". Imitando tanto o tono solmente no texto como a apariencia dun bando oficial, este 'fake' que se espallou por barrios e lugares de Compostela, bota man da retranca e da ironía para ridiculizar o novo goberno local compostelá e a monarquía española. O bando sácase co gallo da visita que Felipe de Borbón fai á capital de Galiza nestes días para permitir á veciñanza gozar da súa "cercanía e cariño campechano". Agustín 'El Nuevo', sabedor "pola Delegación do Goberno" de que "minorías" queren aproveitar a visita do Borbón para "manifestar o seu desamor polo rei", dá neste bando unha serie de recomendacións á veciñanza. Así, Agustín 'El Nuevo', "elexido cos votos de todos e todas" ordena e manda neste comunicado "que todas as casas luzan a bandeira de España na súa fachada". Iso si, "fica suspendido temporalmente o emprego da bandeira galega, con ou sen estrela, para contrarestar o chamamento feito polos grupos independentistas". Vestir con traxes rexionais españois Outro punto no bando pide a veciños e veciñas "que vaian pola rúa convenientemente identificados", polo que a Alcaldía suxire "que nestes días o DNI se leve na boca ou prendido no peito". Tamén se anuncia que fican suspendidas as manifestación de rexeitamento o Borbón e se pide á cidadanía que durante a visita real se vistan con "traxes típicos españois". |
NOS_16013 | A convocatoria ordinaria das probas pasa ao mes de xullo coa intención de ter os seus resultados antes do día 17, as datas para as probas extraordinarias ficaron sen concretarse mais será xa en setembro. | As alumnas galegas realizarán as probas de bacharelato de acceso á universidade (ABAU) entre o 7 e o 9 de xullo. Así o acordou a Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional nunha reunión telemática coa Comisión Interuniversitaria do país. Galiza adapta así o calendario da selectividade ás pautas abordadas a semana pasada na Conferencia Sectorial de Educación, presidida pola ministra Isabel Celaá xunto coas responsábeis do ramo de todos os territorios do Estado para tratar as consecuencias do estado de alarma e a crise sanitaria. A convocatoria ordinaria das probas pasará a realizarse, así, nas datas que previra inicialmente para a extraordinaria, que agora se trasladaría ao mes de setembro (período no que viña realizando tradicionalmente antes de implantarse o modelo da ABAU). Educación destaca que esta nova data permite dispor de marxe para cumprir o prazo de publicación dos resultados das probas con anterioridade ao 17 de xullo. De momento non hai data fixada para a convocatoria extraordinaria que, segundo o acordo entre o Goberno central e as comunidades autónomas, celebrarase antes do 10 de setembro, coa publicación de resultados antes do 18 dese mesmo mes. Formato con máis opcións O modelo de proba, que non experimentará modificacións en profundidade, exporase co obxectivo de que o alumnado non se vexa prexudicado por non traballar en clase algún bloque de contido e asegurar o acceso á universidade en termos de equidade. Deste xeito, manterase un formado similar ao actual, cos mesmos tempos de realización, pero incrementarase a opcionalidade para asegurar que o aspirante poida lograr a máxima puntuación sen que llo impida o feito de non recibir algún dos contidos previstos. |
NOS_29346 | Miguel Tellado afirma que o paro cae nunha "guerra de sexos" | O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, decidiu este sábado ir un paso máis aló do que o propio argumentario do Partido Popular dispón para os seus cargos e militantes opinar sobre a greve do 8 de marzo. Tellado afirma que "a greve de mulleres é o máis machista que se pode facer". Unha volta de porca aos cualificativos de insolidaria" e "elitista" que figuran no argumentario. Tellado afirma que realizar chamar a facer paros exclusivamente ás mulleres é "desviarse" da loita pola igualdade entre sexos. Insistiu en que a greve "non é a medida" acaída para combater a desigualdade porque vai a "unha guerra de sexos". Anunciou o PPdeG organizará un acto na Coruña o 8 de marzo con motivo do Día da Muller Traballadora. "Non estamos dispostos a que nos dean leccións formacións que se enchen a boca con eslóganes e cando estiveron nas institucións non fixeron nada". |
NOS_43062 | O adiamento, suspensión ou directamente cancelación de partidos e eventos deportivos multiplícanse non só na Galiza, senón no conxunto do Estado, nunha situación que xa está provocando un debate sobre a necesidade -ou non- de cambiar o rumbo adoptado desde o xa afastado mes de marzo de 2020. | "O Leite Río Breogán-Bitci Baskonia, programado para este domingo, 9 de xaneiro, ás 12.30 horas e correspondente á xornada 17 da Liga Endesa queda aprazado ante a situación de positivos de Covid-19 que afectan ao cadro de xogadores baskonista. Proximamente, ACB comunicará unha nova data". Esta é a terceira ocasión en recentes datas en que os e as afeccionadas do conxunto lucense tiveron que enfrontarse a un chío destas características, situación especialmente dolorosa nun momento en que o Breogán está inmerso en plena loita para clasificarse para a Copa. Mais o fenómeno non é exclusivo da escuadra celeste, ou do baloncesto, pois desde que a variante Ómicron fixo a súa entrada en Europa todas as disciplinas, en maior ou menor medida, están sufrindo a repunta duns casos activos da Covid que, polo menos no deporte, afortunadamente na maioría dos casos non están revestidos de especial gravidade. Iso levou a numerosos seareiros e seareiras dos máis diversos equipos e disciplinas a cuestionarse publicamente a través das redes sociais se os protocolos que se están adoptando -e que en non poucas ocasións datan dos comezos da pandemia- son os adecuados. "Parar dúas ou tres semanas ou retomar a competición?", "Volver estabelecer grupos burbulla entre as deportistas?" Son algunhas das solucións que están a propor para deter a sangría de cancelacións, mais esa clase de medidas evidenciarían non só un retroceso temporal a 2020, senón o fracaso de toda a política deportiva relacionada coa pandemia. Unha das entidades máis rotundas neste sentido foi o Deportivo Liceo de hóckey, que recentemente levou a cabo unha rolda de tests entre os seus xogadores apostilando que non eran obrigatorios e expresando o seu desexo de que a OK Liga decretase a súa obrigatoriedade "polo ben da competición e das deportistas". Aprazada toda a Terceira Galega O grupo 1 da Terceira RFEF, tamén coñecida como Terceira Galega, leva desde finais de novembro sen poder completar nin unha soa xornada a causa da Covid-19, un problema que, como acontece no conxunto da sociedade, agravouse nas últimas semanas. A día de hoxe, os positivos multiplícanse entre o cadro técnico e de xogadores da inmensa maioría dos equipos, estando afectados Alondras, Arzúa, Estradense, Fabril, Noia, Silva, Sofán ou Somozas, o que impide a disputa dos encontros programados para esta fin de semana. Ante este escenario, Tamara Barreiro, xuíza de competición da Real Federación Española de Fútbol, decretou o adiamento de todos e cada un dos partidos da décimo oitava xornada, choques para os que -polo de agora- tampouco confirmou unha nova data. Na seguinte categoría do fútbol do país, a Preferente Galiza, tamén están inmersos nunha situación similar, aínda que a Federación Galega de Fútbol optou por non seguir o exemplo da súa homóloga estatal e unicamente anulou cinco dos 18 partidos previstos. |
PRAZA_9200 | Malia non ocupar ningún cargo público, Beatriz Mato e José Manuel Rey Varela teñen protagonismo en actos oficiais do Goberno galego na Coruña e Ferrol, a cuxas alcaldías aspiran, como tamén ocorre cos portavoces da oposición en Vigo ou Santiago | Malia non ocupar ningún cargo público, Beatriz Mato e José Manuel Rey Varela teñen protagonismo en actos oficiais do Goberno galego na Coruña e Ferrol, a cuxas alcaldías aspiran, como tamén ocorre cos portavoces da oposición en Vigo ou SantiagoXa pasou na campaña das eleccións municipais de 2015 e volve ocorrer agora de cara aos comicios do próximo 26 de maio. Candidatos do PP en diferentes vilas e cidades, en especial ex-conselleiros, volven coarse nas fotografías oficiais da Xunta, nalgún caso malia non ocupar ningún cargo público, promoción gratuíta das súas figuras que hai catro anos o Goberno galego negaba asegurando que era unha "cuestión persoal" de quen ve as imaxes.É habitual que nos diversos actos que os membros do Goberno galego celebran en todo tipo de municipios aparezan xunto a eles os rexedores locais e mesmo outros concelleiros de calquera das forzas políticas presentes en cada corporación. No últimos tempos a axenda oficial da Xunta xa está a primar a concellos gobernados polo PP, como é o caso de Ourense, única cidade popular e na que é alcalde o ex-conselleiro de Educación Jesús Vázquez. Pero é en municipios gobernados por outras formacións e nos que os candidatos para o 26 de maio non son actualmente concelleiros onde máis rechamante é a súa presenza en actos oficiais da Xunta e nas súas fotografías.Unha nota de prensa oficial da Xunta dun acto da conselleira de Política Social en Ferrol no que tivo protagonismo Rey Varela, que non ten ningún cargo público alén do escano, chegou a gabar "o seu compromiso, traballo e esforzo"A promoción por parte da Xunta dos candidatos do PP chegou ao extremo, o pasado 17 de decembro, con José Manuel Rey Varela, ex-conselleiro de Política Social candidato á alcaldía de Ferrol pero que na actualidade non ocupa ningún cargo público alén de ser deputado. Malia iso, foi protagonista na presentación en Ferrol dun libro con imaxes de galegos con máis de cen anos por parte da actual conselleira, Fabiola García. Rey Varela, que non é nin concelleiro da oposición, compartiu escenario e fotografías e a el estivo dedicada parte da nota de prensa distribuída pola Xunta, na que salientou "o seu compromiso, traballo e esforzo".Mato e Rey Varela xa multiplicaran a súa presenza en actos na Coruña e Ferrol nos seus últimos tempos como conselleiros, cando xa era un secreto a voces que ían ser candidatos do PP a esas alcaldíasTampouco ocupa xa ningún cargo alén do escano a candidata do PP na Coruña, Beatriz Mato, ex-conselleira de Medio Ambiente. Iso non lle impediu aparecer no centro da imaxe nunha visita que a actual conselleira, Ángeles Vázquez, fixo tamén o 17 de decembro ás obras de urbanización do Parque Ofimático da cidade. Alí estaban presentes o responsable de Urbanismo do goberno local da Marea Atlántica e outros concelleiros, pero quen aparece entre a actual conselleira e os técnicos que explicaban a obra na imaxe distribuída pola Xunta é Mato, que non ten ningún cargo.Unhas presenzas, as de Mato e Rey Varela en actos da Xunta na Coruña e Ferrol sen ter xa ningún cargo público, que se produce despois de que os dous multiplicasen os seus actos nesas dúas cidades nos seus últimos tempos como conselleiros cando xa era un secreto a voces que ían ser candidatos do PP a esas alcaldías.Malia estar na oposición, o feito de ser concelleiros xustifica a presenza doutros ex-conselleiros da Xunta en actos organizados polo Goberno galego en municipios que non controla o PP. Ese é o caso do ex-conselleiro de Medio Ambiente Agustín Hernández en Santiago ou da ex-conselleira de Facenda Elena Muñoz en Vigo. Pero tamén nos seus casos a Xunta dálles un protagonismo nas súas imaxes oficiais que non sempre ofrece a rexedores ou concelleiros doutros partidos.En Vigo a portavoz e candidata do PP, Elena Muñoz, aparece en todo tipo de actos da Xunta, algo que xa fixo na campaña de 2015 cando non ocupaba ningún cargo públicoO pasado 16 de xaneiro, novamente nun acto da conselleira de Política Social, nunha visita a un centro de discapacitados da Asociación San Francisco en Vigo, a que aparecía en lugar destacado nas imaxes da Xunta era Elena Muñoz. No seu caso, é habitual que a candidata do PP apareza xunto a cargos autonómicos en todo tipo de actos oficiais celebrados por estes en Vigo, algo que leva facendo desde a súa primeira candidatura en 2015, cando non ocupaba ningún cargo público pero tanto a Xunta como a Autoridade Portuaria de Vigo, tamén controlada polos populares, lle dedicaron unha atención especial.Tamén o ex-conselleiro de Medio Ambiente e candidato do PP en Santiago Agustín Hernández (no seu caso, como Muñoz, portavoz da oposición), é habitual en actos da Xunta na cidade, onde ás veces as imaxes oficiais danlle un protagonismo especial. Como no caso de Mato na Coruña, o 11 de xaneiro Hernández aparecía tamén en lugar central nunha visita da actual conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, ás obras de construción da nova estación de autobuses intermodal da cidade.A promoción de candidatos do PP por parte da Xunta non se limita aos que foron conselleiros e en Lugo dedica tamén unha atención especial ao xefe territorial da Consellería de Presidencia, Ramón Carballo, aspirante popular á alcaldía da cidadeA promoción de candidatos do PP por parte da Xunta non se limita aos que foron conselleiros, malia ser estes os recoñecibles por maior cantidade de poboación. Concelleiros populares aparecen en todo tipo de imaxes oficiais do Goberno galego nas que non adoita haber tanta presenza de representantes doutros partidos. E en Lugo, onde o candidato popular será Ramón Carballo, xefe territorial da Consellería de Presidencia, a Xunta está a converter en habitual incluílo na súa axenda oficial na cidade, un protagonismo mediático pouco habitual noutros xefes territoriais das distintas consellerías no resto de Galicia. |
NOS_57735 | A antiga colonia británica —a súa soberanía foi devolvida a China en 1997—vive esta segunda feira unha greve xeral. Beijing aparece desbordada pola intensidade dos protestos e algúns portavoces oficiais até insinúan unha hipotética intervención militar na illa. Estes acontecimentos sucédense nun contexto moi determinado, o recruamento da guerra comercial entre os EUA e a que xa é segunda potencia económica do planeta. | Os protestos orixináronse pola oposición, moi estendida na sociedade hong-konesa, contra unha lei que permitía a extradición de persoas envolvidas en procesos xudiciais á China continental. Apenas serviu de nada que o proxecto fose aparcado pola xefa executiva do goberno da illa, Carrie Lam, pois as mobilizacións axiña gañaron outra dimensión, a dunha movimentación encamiñada a desafiar a autoridade de Beijing sobre este enclave do capitalismo transnacional no mar da China Meridional. Así, após nove semanas consecutivas de enorme axitación nas rúas, chegamos á greve xeral desta segunda feira, que nas súas primeiras horas deu paralizado o transporte e a maior parte das conexións aéreas. A situación é de máxima tensión, coas forzas policiais a utilizar gases lacrimóxenos contra a multitude, organizada en barricadas. Miles de activistas están a despregar técnicas de guerrilla urbana e a cidade está virtualmente militarizada. Para Beijing, o levantamento dun sector nada desprezábel da sociedade hongkonesa é obra dos EUA. Así o explicitou a semana pasada a portavoz do Ministerio de Asuntos Exteriores, Hua Chunying, quen declarou que Beijing nunca permitirá que "forzas estranxeiras" interfiran nos asuntos da illa. O certo é que a Administración Trump olla con simpatía as mobilizacións e que nas manifestacións teñen aparecido bandeiras estadunidenses. Naturalmente, a Secretaría de Estado [Asuntos Exteriores] dos EUA nega as acusacións chinesas. "Non é críbel pensar que millóns de persoas están a ser manipuladas no momento en que se mobilizan por unha sociedade libre e aberta", afirma nun comunicado. |
PRAZA_13526 | O anunciado incremento dos tipos do IVE vén fornecer unha nova proba de que o Goberno español, pouco máis de seis meses despois de asumir o poder, carece por completo dun plan contra a crise. Tras toda unha lexislatura na oposición proclamando que o problema radicaba na falta de capacidade política de Zapatero para enfrontar a crise e na súa tendencia á improvisación, Rajoy e o seu equipo sobradamente preparado xa bateron amplamente as nada desdeñables marcas de Zapatero en ambos apartados. | O anunciado incremento dos tipos do IVE vén fornecer unha nova proba de que o Goberno español, pouco máis de seis meses despois de asumir o poder, carece por completo dun plan contra a crise. Tras toda unha lexislatura na oposición proclamando que o problema radicaba na falta de capacidade política de Zapatero para enfrontar a crise e na súa tendencia á improvisación, Rajoy e o seu equipo sobradamente preparado xa bateron amplamente as nada desdeñables marcas de Zapatero en ambos apartados. O aumento do IVE é un atestado da incoherencia e da impotencia do goberno do PP O aumento do IVE, unha tentativa á desesperada para aumentar a recadación fiscal, é un atestado da incoherencia e da impotencia do goberno do PP, mais revela moito máis que iso: a ausencia de vontade política para encarar os problemas estruturais que motivaron esta crise e a concepción ideolóxica -regresiva, nisto non hai incoherencia- do reparto dos sacrificios. Non é por acaso que os paus de cego sempre acaban por atinxir as costas dos mesmos sectores sociais Non é por acaso que os paus de cego dados desde o Goberno español sempre acaban por atinxir as costas dos mesmos sectores sociais, principalmente -e por esta orde- dos traballadores asalariados e das clases medias. Vale preguntarse que lexitimidade posúe un goberno para esixir un novo sacrificio ao conxunto da cidadanía tras aprobar unha amnistía fiscal para os grandes defraudadores, i.e. as grandes fortunas e os altos directivos que conforman iso que Occupy Wall Street bautizou con acerto como o 1% da sociedade; tras asistir impasible a unha masiva fuga de capitais; e tras renunciar a aplicar medidas de combate á fraude e á evasión fiscais. Nun proceso de devaluación interna a través dos salarios para manter as marxes de lucro das empresas e a súa competitividade exterior, aumentar o principal imposto indirecto da cesta de tributos significa sobrecargar as clases traballadoras cun novo esforzo inxustificable. Facelo, ademais, tras nacionalizar as débedas dun sistema financieiro reiteradas veces presentado como sólido e exemplo para o mundo, atrelando o futuro da cidadanía ao do mesmo sistema financieiro que provocou a crise, implica esixirlle ao conxunto do corpo social un sobresforzo que probablemente xa non ten condicións de soportar. O aumento do IVE pode acabar sendo un novo pau na roda da recuperación que non chega nin se albisca As Administracións Públicas necesitan cadrar as contas, certamente; e unha vez que centraron todas as súas enerxías durante os últimos anos en recortaren o gasto -non fai falta insistir que con criterios fondamente ideolóxicos- resulta lóxico e até inevitable que se intente aumentar os ingresos, aínda máis dadas as dificuldades de acceso ao crédito. Porén, hai unha gran diferenza entre o intento e o logro, até o punto de que o aumento do IVE pode acabar sendo un novo pau na roda da recuperación que non chega nin se albisca; ou, se se prefere, máis gasolina para sofocar o incendio. Un aumento tan significativo do IVE repercutirá automaticamente nunha considerable suba da inflación, coa consecuencia engadida dun aumento dos tipos de xuros Isto é así porque un aumento tan significativo do IVE, especialmente naqueles produtos básicos e por tanto de consumo universal, repercutirá automaticamente nunha considerable suba da inflación, coa consecuencia engadida dun aumento dos tipos de xuros. Porque no xa referido escenario de contracción salarial, pode vir a retraer o consumo aínda en maior medida, alimentando a espiral de recesión e desemprego. E porque as PEMEs e os pequenos comerciantes veranse obrigados ora a asumiren o impacto do aumento (sen liquidez, sen crédito e sen capacidade de investimento, os efectos poden ser devastadores) ora a vérense aínda máis prexudicados á hora de competiren coas grandes empresas, que utilizarán as economías de escala e a súa posición dominante nos mercados de distribución e intermediación para garantiren o menor impacto posible desta nova medida sobre as súas contas de resultados. Pero... para quen goberna Rajoy? As erráticas decisións do PP, seguindo a liña imposta pola troika comunitaria e polos poderes financieiros españois, está a configurar un dos piores panoramas posibles: recesión con inflación, un escenario que -no caso de prolongarse por espazo suficiente- pode constituír o atallo máis curto para a depresión económica e social. Coas clases traballadoras perdendo poder adquisitivo e dereitos conquistados en décadas de loita, coas vellas clases medias sometidas aos intereses dunha exigua minoría que mantén o aparello do Estado secuestrado ao servizo dos seus intereses exclusivos, coas novas clases medias sofrendo as consecuencias do crash da construción, e cunha lexión de desempregados que non para de crecer a pesar dos artificios usados para mascarar as cifras, esta nova medida adoptada polo goberno de Mariano Rajoy e secundada polos seus correlixionarios (con Feijoo, Aguirre e Cospedal competindo en entusiasmo) debe levar a preguntarse: pero... para quen goberna Rajoy? |
NOS_46958 | Igor Portu e Mattin Sarasola, detidos en 2006 acusados de pertenza a ETA, levaron a súa denuncia de torturas a Estrasburgo após a absolución polo Tribunal Supremo dos 4 garda civís condenados por torturalos | O 13 de febrero de 1981 falecía en Madrid, após sete días de ser torturado, o mozo vasco Joxe Arregi. Os funcionarios que participaron naqueles feitos non foron apartados dos seus cargos. Xusto 37 anos despois, 13 de febreiro de 2018, o Tribunal europeo de dereitos humanos (TEDH) condena o Estado español no caso das torturas denunciadas por Igor Portu e Mattin Sarasola, detidos en 2008 acusados de integrar o comando de ETA que atentou na terminal T4. Estrasburgo condena o Estado español a indemnizar con 30.000 e 20.00 euros a Portu e Sarasola. Ambos os dous levaran a súa denuncia de torturas a Estrasburgo após a absolución polo Tribunal Supremo dos 4 garda civís condenados inicialmente pola Audiencia de Gipuzkoa por torturalos. Hai outras sete sentenzas europeas anteriores contra o Estado español. Estas por non investigar torturas denunciadas por detidos vascos. A sentenza considera que se vulnerou o artigo 3 da Convención europeo de Dereitos humanos, que indica que "ninguén poderá ser sometido a tortura nin a penas ou tratos inhumanos ou degradantes". Para a corte europea está "suficientemente establecido" que as lesións descritas polos dous vascos detidos aconteceron cando estaban en mans da Garda Civil e engade que as autoridades españolas non presentaron argumentos "convincentes ou críbeis" para xustificar os danos sufridos polos detidos. Os dous mozos de Lesaka foron detidos o 6 de xaneiro de 2008 acusados de pertencer a ETA. 16 horas despois da detención, Igor Portu ingresou nunha UCI do hospital Donostia. O parte médico indicaba que tiña un pulmón perforado, unha costela rota, hemorraxia nun ollo e hematomas en diferentes partes do corpo. Sarasola, de por parte, denunciou perante o xuíz da Audiencia Nacional que fora torturado durante os 5 días da súa detención. |
NOS_26118 | O problema demográfico é unha realidade. Ourense é a única provincia do Estado español onde as pensionistas superan as afiliadas á Seguridade Social. Segundo os datos do mes de xullo, por cada persoa xubilada rexístranse 0,97 ocupadas, acompañándoa nos postos de cola Lugo, con 1,08 ocupadas por cada pensionista. | A 1 de xullo deste mesmo ano, 106.890 ourensás e ourensáns aparecerían rexistrados como pensionistas, mentres que as persoas ocupadas -aquelas con traballo remunerado ou que exercen unha actividade independente- situábanse en 103.933, sendo superior a poboación receptora dalgún tipo de prestación que a afiliada á Seguridade Social. Malia que os datos de Ourense son únicos no conxunto da Galiza e do Estado español, Lugo séguelle os pasos de perto, con 1,08 empregados por cada xubilado, un número que adianta unha situación análoga á de Ourense en pouco tempo. Estas cifras son agardadas desde hai anos e certifican unha tendencia nesa dirección. A poboación galega maior de 65 anos duplica a porcentaxe da menor de 16 anos, até o punto de non superar esta o 12% do conxunto do censo en 244 municipios. Ao tempo, as persoas en idade de xubilación superan as menores de 30 anos en 233 concellos galegos, significando o 40% do número total de residentes en 78 localidades e chegando a máis do 50% en Calvos de Randín, Gomesende, O Irixo, Lobeira, San Xoán de Río, A Teixeira, Verea e O Bolo. As excepción son as áreas metropolitanas das principais cidades do Eixo Atlántico e algunhas localidades costeiras das Rías Baixas. O pasado mes de xullo o Instituto Nacional de Estatística (INE) sinalou que en 2020 a Galiza volveu rexistrar un novo máximo nivel de avellentamento, cun incremento de 5,1 puntos a respecto do ano anterior, chegando ao 207,3%, isto é, 207 maiores de 64 anos por cada 100 menores de 16. Porén, esta cifra disparouse nas comarcas ourensás, cun índice de 303,7% e nas luguesas, con 273 maiores de 64 anos por cada 100 menores de 16. Así as cousas, nas últimas dúas décadas, o índice de avellentamento medrou na Galiza en 58 puntos e 29 nos últimos 10 anos, evidenciando unha progresiva tendencia á alza. As previsións non dan pé ao optimismo. A este respecto, as proxeccións demográficas do INE para o período 2018-2033 indican que, de manterse a tendencia actual, a Galiza pode perder até esa data 138.799 persoas, o 5,3% da súa poboación, e ficar en 2.564.491 residentes. Atendendo a este informe, o saldo vexetativo, que é a diferenza entre o número nacementos e mortes, tamén é negativo, até sumar 98,9 falecidos máis que nacementos por cada 1000 habitantes. Segundo o catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Rubén Lois "estes estudos do INE destacan pola súa fiabilidade e rigor técnico". As causas do devalo demográfico As causas do devalo demográfico da Galiza son complexas. Así, o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do volume A morte de Galicia, Isidro Dubert, considera que "as implicacións da emigración son moito máis graves que as do avellentamento". Na mesma liña, Rubén Lois sitúa a causa do problema demográfico actual nas "emigracións masivas das décadas dos sesenta e setenta, que non teñen efectos inmediatos, e no afundimento do vello complexo agrario". Pola súa banda, os xeógrafos Xosé Constenla e Xosé Antonio Vázquez sitúan "o gran cambio demográfico" nos anos 60 e lembran que desde aquela "sucédense episodios de estancamento, redución e leves recuperacións que se tornaron xa nun descenso en todas as provincias a partir de 2011". A profesora de Economía da USC María Cadaval entende que "a caída da natalidade, o incremento da esperanza de vida e a retroalimentación das entalladuras na pirámide de idades causada polos movementos migratorios dan coma resultado unha estrutura demográfica avellentada e con escasa renovación xeracional". Na mesma liña, sinala que "demografía e economía están ligadas estreitamente e os seus efectos son bidireccionais. Por unha banda, as perspectivas sobre crecemento económico e as rendas salariais afectan ás taxas de natalidade e aos movementos migratorios e, por outra, as tendencias da poboación teñen consecuencias de calado sobre a marcha da economía". A maioría das persoas expertas consideran que a situación é reversíbel. A este respecto, un documento elaborado para o Foro Económico da Galiza por Xosé Carlos Arias, Domingo Docampo, María Cadaval e Francisco Armesto, titulado Galicia 2040. Dinámica demográfica e cambio de paradigma. Novos escenarios da xestión social do envellecemento lembra como outros países conseguiron mudar estas tendencias en base a "incidir de xeito decidido nos factores de crecemento da economía, que se debe acompañar de cambios e a reorientación dos servizos públicos". Un problema estrutural A tendencia demográfica da Galiza no último século é preocupante. A progresiva perda de poboación, que leva o país a representar en 1920 o 11% do total estatal fronte ao 5,78% actual, é un síntoma dun problema de fondo que require de mudanzas estruturais. A posta en marcha de políticas públicas que incidan na estrutura económica resultan chaves. |
NOS_803 | A sentenza considera probado que El Corte Inglés tolerou o acoso e non actuou contra o hostigador, chefe de tenda do Centro de Oportunidades de Altamira (Cambre). A traballadora sofreu secuelas psicolóxicas, cun diagnóstico de trastorno adaptativo mixto de predominio depresivo. A empresa e o chefe de tenda deberán indemnizar a traballadora na cantidade de 30.360 euros. | Unha traballadora do Centro de Oportunidades de El Corte Inglés de Altamira (Cambre) sofreu durante longos meses unha situación de acoso sexual e moral por parte dun chefe de planta da grande superficie comercial sen que a empresa exercese ningún "procedimento sancionador" contra o acosador. Así o considera probado na súa sentenza condenatoria a xuíza Ana Rodríguez Piorno, do Xulgado do Social número tres da Coruña, quen condena o chefe de tenda e a El Corte Inglés a indemnizar a traballadora e a cesar na súa conduta de vulneración dos dereitos fundamentais da demandante. O chefe vulnerábaos por acosar a traballadora, a empresa por non actuar contra o acosador. A sentenza, ditada o pasado 23 de xaneiro, estima só parcialmente as peticións da demanda porque a pretensión de desvincular xerarquicamente acosada e acosador non se pode levar a efeito, pois este hai meses que se prexubilou da empresa. No capítulo de feitos probados, a sentenza, á que tivo acceso Sermos, refere que a traballadora -na nómina de El Corte Inglés desde o 21 de novembro de 2002, contratouna como dependente- foi trasladada ao centro de oportunidades de Altamira o 10 de setembro de 2013. En maio de 2015, a traballadora xa era vítima de acoso sexual e laboral, o que a levou a solicitar o cambio de centro de traballo, petición que non lle foi concedida pola empresa. O 4 de setembro de 2015 sofre unha crise nervosa e diagnostícaselle un cadro ansioso depresivo decorrente do acoso laboral. Tal circunstancia, enfatiza a xuíza, foi coñecida pola empresa. O 13 de outubro de 2015 pide a activación do Protocolo de Acoso Laboral. A Comisión Instrutora para o Tratamento e Investigación de Situacións de Acoso no Corte Inglés (CITSA) conclúe que non houbo acoso nen sexual nen moral. A xuíza considera probado que ningún responsábel do CITSA acudiu ao centro de traballo para realizar unha investigación sobre o terreno. O 15 de decembro de 2015, a traballadora apresenta unha denuncia por acoso sexual e laboral perante a Guardia Civil de Culleredo, o que dá lugar á apertura de dilixencias previas e a instrución dunha causa por parte do Xulgado de Instrución número 5 da Coruña. En marzo a dependenta denuncia os feitos ante a Inspección de Traballo e a Seguridade Social. A Inspección conclúe que non hai indicios de acoso, mais si de "comportamento inapropriado" por parte do chefe de tenda. A traballadora áchase de baixa desde o 3 de setembro de 2015 cun diagnóstico de trastorno adaptativo de predominio depresivo. Nos fundamentos de direito da sentenza, a xuíza comeza por facer unha reflexión sobre a dificuldade para obter material probatorio neste tipo de demandas, sendo que "en non poucas ocasións se producen sen que haxa testemuñas". Porén, a maxistrada achou que a "versión da traballadora resulta absolutamente críbel", entre outros elementos porque no xuízo o demandado "verteu" unha frase "especialmente rechamante", a de que perante as súas accións "ela nunca lle dixo que lle molestara". "Unha aseveración absolutamente fóra de lugar se o demandado, como sostén, non tivese realizado á demandante os comentarios inapropriados que ela propria denuncia", afirma a ponente da sentenza Considera a xuíza que a existencia de informes médicos sobre o estado de saúde da traballadora, en coincidencia cos feitos denunciados, outorgan credibilidade ao seu testemuño. A maxistrada avalía tamén a "persistencia e firmeza" con que se expresou durante o xuízo, en concordancia tamén coa mesma "contundencia" coa que se manifestou no proceso de instrución desta causa. Hai acoso sexual -tocamentos, insinuacións, acurralamentos-, mais tamén acoso moral, aquel que pretende o "desmoronamento íntimo ou psicolóxico da persoa". E nese sentido, a xuíza lembra que a Inspección de Traballo considerou probado o trato déspota inflixido polo chefe de tenda á dependenta. Conduta "omisiva e en certo modo permisiva" de El Corte Inglés A respeito da actitude de El Corte Inglés, a xuíza entende que existiu falta de amparo por parte da direccion da empresa, que coñecía "a situación da traballadora", sen que conste que tivese realizado ningunha actuación ao respeito". Á empresa constáballe que "a traballadora estaba sendo acosada no desempeño do seu traballo diario", o que torna a El Corte Inglés merecente dunha "responsabilidade económica" ao non ter "exercido o procedimento sancionador contra o acosador". A súa conduta foi portanto "omisiva e en certo modo permisiva coa situación". A empresa sería, alén do máis, responsábel civil subsidiaria porque o acosador era un "empregado de confianza" sobre o cal non existía ningún tipo de control ou supervisión. A carencia de control sobre os actos do chefe da tenda fai que a empresa deba responder de todos os seus "excesos". "Sen apoio probatorio preciso" A liña de defensa quer da persoa demandada quer de El Corte Inglés é que a acción contra eles carecía de "apoio probatorio preciso". Contra a sentenza cabe recurso face o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Vulneración de dereitos fundamentais En definitiva, a xuíza condena o chefe de tenda e a El Corte Ingles por vulnerar os dereitos fundamentais da traballadora e dispón que, alén da indemnización, se restitúa a vítima do hostigamento "á situación anterior á produción do acoso de que ten sido obxecto". É absolvida nesta sentenza a chefa segunda da tenda, a quen a xuíza considera que non lle pode imputar acoso laboral por non existir dependencia xerárquica entre a traballadora e ela. |
PRAZA_13904 | A afluencia de espectadores da feira taurina foi a menor dos últimos anos malia os centos de billetes regalados. A empresa organizadora recoñece que polo momento non lle é rendible economicamente a pesar de que o Concello colaborou cuns 90.000 euros. Mentres, a concentración antitaurina incrementa o seu apoio. | Unha media de pouco máis de 3.000 espectadores ao día (entradas regaladas incluídas), un espectáculo nada rendible para a empresa organizadora e unha achega en cartos públicos de arredor de 90.000 euros. A feira taurina da Coruña, celebrada esta última fin de semana na cidade, perde folgos ano a ano. Sen subvencións directas -pero si indirectas-, sen apoio popular, cun rexeitamento e mobilizacións cada vez máis asentadas e malia o agasallo de centos e centos de billetes, as touradas esmorecen aos poucos. A asistencia foi de 10.000 persoas en tres días, incluíndo as entradas gratuítas, a menor dos últimos anos Sen cifras oficiais, os cálculos dos tres días de feira falan dunha asistencia total de 10.000 persoas, a peor dos últimos anos e a pesar dun cartel que semellaba ser do agrado dos afeccionados á tauromaquia. O sábado, o día de maior afluencia, o Coliseum acolleu unhas 7.000 persoas, polas mil e pouco nas xornadas de venres e domingo. E puido ser peor. O agasallo de entradas a través dalgún medio de comunicación axudou a minorar a sensación de baleiro que as bancadas ofreceron nalgún dos días. Unhas 300 persoas xuntábanse o venres nunha cola para billetes gratuítos; na do lado, só unha pagaba por eles O mesmo venres, a media mañá, unha cola dunhas 300 persoas agardaba nas taquillas para recoller billetes gratuítos. Ao lado, unha única persoa esperaba polas súas entradas de pago. É só un síntoma. Pero o propio David Hebrero, director de Eventauro, compañía que organizou a feira, recoñeceu a Praza que os tres días de touradas non foron rendibles economicamente para a compañía, malia sentirse "contentísimo" pola resposta da cidade e do público. "Economicamente é moi difícil que saia rendible porque a nosa é unha aposta a longo prazo; hai que ter en conta que este ano non hai esa subvención de 120.000 ou 130.000 euros e hai que facer moito traballo e ter moita imaxinación", aclara, tras declararse "satisfeito", pero só confiando en que o labor dea os seus froitos no futuro "e poidamos volver atraer xente até ver a praza chea". Eventauro investiu 300.000 euros e non os recuperará. Xa antes da feira dicía aspirar unicamente a "aguantar" ou "defender" o investimento. A empresa organizadora recoñece que, polo momento, o evento non lle é rendible economicamente O feito é que o Concello non fixo investimento directo ningún, pero si de xeito indirecto. Uns 90.000 euros que inclúen a adaptación e obras no Coliseum de forma gratuíta, é dicir os 35.000 euros que custan as obras, ademais doutros 50.000 euros en taxas municipais que non se lle cobraron ao empresario taurino, a cesión de forma gratuíta do despacho de billetes público da praza de Ourense para a venda de entradas, do aparcadoiro privado do Coliseum ou da banda municipal de música. Así o denuncia Galicia Mellor sen Touradas (GMST), que o sábado reuniu na praza de María Pita un milleiro de persoas en protesta contra as touradas e as achegas públicas a unha festa que considera "a tortura indigna dun animal". Rubén Pérez, voceiro deste colectivo, fai un "balance positivo" tras os tres días de feira taurina, ao comprobar que "a asistencia de público foi a menor dos últimos anos" e todo "a pesar de que hai xornais que seguen regalando centos de entradas". "Ademais, a afluencia á nosa protesta duplicou ao do ano pasado e supuxo un 10% da asistencia ao Coliseum", lembra, tras denunciar tamén a "contraprogramación" levada a cabo polo Concello. Á hora da súa concentración, un espectáculo de "apoloxía" militarista e os ensaios para un concerto posterior silenciaron un chisco as súas reivindicacións. "Dixérannos que A Coruña era unha cidade antitaurina, pero non o é", di o empresario organizador da feira Para David Hebrero, director de Eventauro, o balance é todo o contrario. "Dixérannos que A Coruña era unha cidade antitaurina e as expectativas eran malas, pero non foi así; estamos contentos co público, aínda que é certo que a cidade está un pouco illada do circuíto tradicional das touradas por razóns xeográficas", asegura, tras argumentar a escasa afluencia e relevancia da feira "no escaso tempo" do que a compañía dispuxo para organizar o evento. "Se é un espectáulo de masas, por que se regalan entradas? No baloncesto non se deron pases gratuítos", din desde Galicia Mellor sen Touradas Ademais, asegura que a única concentración taurina que viu "xuntaba 18 persoas fronte aos 7.000 asistentes da corrida do sábado". "Hai que telo en conta; A Coruña non é unha cidade antitaurina", aclara Hebrero, que non oculta que precisará anos para que a feira lle saia rendible. "Cada vez van menos persoas ás touradas, que seguen a ser dependentes dos subsidios municipais", retruca Rubén Pérez, que insiste en solicitar un referendo para que a cidadanía coruñesa se manifeste sobre este espectáculo e que se pregunta "por que se regalan entradas se disque é un espectáculo de masas". "Para o baloncesto non se regalaron un milleiro de billetes, iso seguro", engade. Porque até a empresa organizadora recoñece que, malia estar "contenta" co resultado da feira, a afluencia e afección aos touros en Galicia nada ten que ver coa doutros lugares do Estado. A rendibilidade económica, nin moito menos e a pesar de que a empresa dispón, de maneira indirecta, de 90.000 euros de aforro. Porque mentres as protestas antitaurinas aumentaron a súa afluencia, un teórico espectáculo de masas segue caendo en número de espectadores. |
PRAZA_8753 | Organizacións non gobernamentais, sindicatos e partidos da oposición esixen o mantemento da rede asistencial contra os transtornos aditivos á que a Xunta lle vén de aplicar un forte recorte orzamentario. Mentres, o Goberno galego anuncia o inicio dos trámites da Lei de Garantías Sanitarias. | Mediados dos anos 80. Mentres en Galicia mozos e mozas morrían "a centos" a causa da droga "a presión das nais contra a droga e de moitas asociacións fixo que a Xunta tomase cartas no asunto para tentar atender a problemática que amezaba con eliminar a toda unha xeración. Creábase o Plan Galicia sobre Drogas". Quen realiza este son profesionais de loita contra a drogodependencia, sindicatos, partidos políticos e plataformas como SOS Sanidade Pública. Reunidos este xoves en Santiago, estes grupos veñen de lanzar unha alerta sobre o "desmantelamento" que, aseguran, está a sufrir toda a "rede" que, en torno ao Servizo Galego de Saúde, traballa na prevención e tratamento destas adiccións. Dezasete centros asistenciais, oito unidades de día, tres comunidades terapéuticas, seis unidades de acoholismo e corenta e tres equipos de prevención atenderon, a través de 350 prque lle ofesionais, tan só no último ano a máis de 12.000 persoas que sufrían dependencia das drogas. Todo isto, di Manuel Martín, de SOS Sanidade, está agora "en perigo" xa que o gabinete que preside Alberto Núñez Feijóo, engade María Xosé Abuín, da CIG-Saúde, aplicou un recorte de 1,5 millóns de euros entre 2009 e 2012, ao que hai que sumarlle un 15% adicional en 2013. Nalgúns casos, non obstante, a situación é aínda máis grave, explica Carlos Varela, en representación dos Comités Antisida. Estes grupos de loita contra o VIH quedaron, directamente, sen orzamento. A rede foi creada nos anos 80 e foi produto "da presión das nais contra a droga e de moitas asociacións" A actual Xunta, di Ramón Mouriño, da Asociación de Profesionais contra a Drogadicción e Condutas Aditivas, ten en verdadeiro risco de desaparición a unha rede creada "mentres estaba de moda pasear en iate", ironiza, e que agora xa padece un severo deterioro. Isto acontece, explica, porque por exemplo o actual Executivo nin sequera desenvolve o seu propoio plan contra os transtornos aditivos. Esta situación, resumen os colectivos, "pon a rede na corda frouxa e crea incerteza osbre a continuidade dos programas", que non só se reducen ao ámbito sanitario, senón que tamén implican asistencia xurídica e penal ou accións divulgativas e de prevención en centros escolares ás que asistiron 128.000 alumnos e alumnas no último ano. Neste contexto, SOS Sanidade e o resto de grupos reclaman a recondución da situación, a comezar pola creación dunha "mesa de coordinación" na que senten a Xunta e as organizacións non gobernamentais deste ámbito. Alí, explican, é onde se debería coordinar a política "de atención a colectivos en risco de exclusión" e, especificamente a atención ás drogodependencias". Os centros asistenciais desta rede, explican, deberan integrase na rede do Sergas -como prevía o bipartito- e as partidas orzamentarias deben "repoñerse" e, de ser posible, "ampliarse", toda vez que a situación de crise, advirte Martín, incrementa o risco de "repunte" de persoas afectadas por estes problemas. PSdeG, AGE e BNG comprométesense a trasladar as reivindicacións ao Parlamento Mentres as asociacións e ONG levan adiante a súa campaña os tres grupos da oposición galega asumen o compromiso de "manter vivo" este debate no Parlamento. No marco da mesma comparecencia pública Carmen Acuña, do PSdeG, considerou este tipo de recortes unha mostra da "sensibilidade que ten o presidente por este problema", toda vez que a comezos dos 90 "andaba paseándose cun narco". Eva Solla, da AGE, ve claro que estas tesoiradas forman parte dunha estratexia máis ampla do Goberno para "esmagar as clases populares" e deixalas sen "o pouco estado do benestar que tiñan". Dende o BNG Montse Prado concorda con que o Executivo procura cargar o custo da crise "sobre os máis febles". "Parece obvio de que lado se colocan" na loita contra a droga", lamenta. |
NOS_34 | A ex deputada de En Marea-Unidas Podemos no Congreso expresa nas redes a súa esperanza de que a representación nacionalista en Madrid "sirva para que en Galiza se recupere o pulso e o debate político". | "Desexo o mellor ao BNG o vindeiro domingo. Agardo que consiga representación e que sirva para que en Galiza se recupere o pulso e o debate político". Este é o ramo que Alexandra Fernández, ex deputada de En Marea-Unidas Podemos no Congreso, pon a una reflexión nun fío nas redes sociais. Fernández considera que o intento de "alianza" entre a esquerda soberanista e a española "fracasou", polo que "volvemos á dualidade entre dous modelos de esquerda. Mirando a posición que ten cada unha ante os retos que veñen, non cabe dúbida de que lado toca estar". Así, prosegue, ante "a involución democrática do Estado", mentres "o soberanismo está exercendo unha oposición clara e contundente e actúa como motor principal das transformacións sociais", a esquerda española "teme polos seus intereses electorais e móvese a posicións máis conservadoras". Ademais, indica na súa conta de Twitter, "ante o aumento da desigualdade social e económica entre centro e periferia e as ameazas de recentralización", "só dende a autonomía política das forzas soberanistas se pode reverter esta situación", mentres que a esquerda española "a esquerda española non toma posición neste debate". 1. Ante a involución democrática do Estado:🏼O soberanismo está exercendo unha oposición clara e contundente e actúa como motor principal das transformacións sociais.🏼A esquerda española teme polos seus intereses electorais e móvese a posicións máis conservadoras.(2/4)— Alexandra Fernández (@aKollontai) November 6, 2019 Por iso lle desexo o mellor ao BNG o vindeiro domingo. Agardo que consiga representación e que sirva para que en Galiza se recupere o pulso e o debate político.(4/4)— Alexandra Fernández (@aKollontai) November 6, 2019 |
NOS_30257 | "A participación directa en política, institucións públicas ou organizacións sociais o sindicais alleas ao banco (..) deberá ser comunicada previamente ao Comité de Ética do Banco" lese nun dos artigos do Código Ético da entidade. | ABANCA enviou esta quinta feira o seu Código Ético, de obrigado cumprimento, ao seu persoal, un texto no que, para a CIG, se están a limitar os dereitos políticos e sindical e atenta mesmo contra os dereitos humanos e os dereitos fundamentais recoñecidos na Constitución. "A participación directa en política, institucións públicas ou organizacións sociais o sindicais alleas ao banco, aínda sendo lexítimas, poden ser incompatíbeis co exercicio activo no banco. Deberá ser comunicada previamente ao Comité de Ética do Banco", di no seu artigo 120, un dos que mostran con máis claridade, segundo o secretario nacional de CIG-Banca, a conduta antisindical e de restrición de dereitos políticos de ABANCA. Chama a atención tamén, na propia redacción, a formulación de organizacións sindicais "alleas ao banco", o que, pode deixar ver a posibilidade de que a empresa controle as súas propias organizacións amarelas. A CIG-Banca reclamou a retirada dun documento que se reparte ao persoal xusto o día despois da mobilización polo despedimento dun traballador A dirección da empresa no Comité de Ética A CIG-Banca reclamou a retirada dun documento que se reparte ao persoal xusto o día despois da mobilización desenvolvida en Pontevedra como sinal de denuncia do despedimento dun traballador que se ía presentar na candidatura ás eleccións sindicais. A central nacionalista presentou tamén denuncia por vulneración de dereitos fundamentais perante a Inspección de Traballo. Pola súa parte, o BNG rexistrou no Parlamento, por medio d@s deputad@s Francisco Jorquera e Montse Prado unha iniciativa na que, ademais, poñen o foco en que o Comité de Ética ao que, segundo o código, terá que ser comunicada a relación con partidos ou sindicatos está presidido polo Conselleiro Delegado, o secretario é o Director Xeral de "Capital Humano" e os vogais son o Auditor Xeral e os Directores Xerais de Control Corporativo e Riscos, Goberno Corporativo e Asuntos Legais e Responsabilidade Social Corporativa, é dicir, Miguel Ángel Escotet, irmán do Sr. Juan Carlos Escotet, Vicepresidente de Abanca e Presidente do Grupo Banesco Internacional. O persoal terá, polo tanto, que dar conta da súa afiliación diante da alta dirección do banco que será quen tome a decisión de compatibilidade ou non coa empresa. O Código recolle que á entidade se lle outorga tamén o dereito de "exercitar as accións legais oportunas para corrixir o uso de símbolos, indumentarias do persoal A CIG-Banca denunciou o Código diante da xustiza "sen menoscabo doutras posíbeis actuacións, dado que estamos ante unha vulneración flagrante dos dereitos recollidos na Constitución española, na Carta de dereitos Europea e nos Convenios da OIT", sinala o secretario nacional de CIG-Banca, Clodomiro Montero, ao falar tamén dunha "política organizada" por parte dos novos propietarios da entidade privatizada polo PP, para "reprimir ao persoal e impedir que este poida organizarse para defender os seus dereitos sociais e laborais". Lembra tamén que o Código recolle que á entidade se lle outorga tamén o dereito de "exercitar as accións legais oportunas par corrixir tales actuacións", referíndose ao uso de símbolos, indumentarias ou á utilización do vocabulario. Defende neste sentido ABANCA o seu dereito a protexer a súa reputación e, polo tanto "poderá exercitar as accións legais oportunas para corrixir tales actuacións" no caso que consideren que poden "colisionar co ideario da entidade na medida en que se practiquen condutas incívicas que danen o bo nome da mesma". |
NOS_42810 | Unha moción do goberno local propón a "non confesionalidade institucional do Concello". Entre outros puntos, proponse suprimir todo tipo de simboloxía relixiosa nos actos oficiais e nos espazos de titularidade pública. | O goberno local de Lalín, unha coligazón a catro presidida por Rafael Cuiña (Compromiso por Galicia) presentará no vindeiro pleno municipal unha moción para "promover a liberdade de conciencia e a non confesionalidade institucional do Concello". A iniciativa procura garantir o principio recollido na Constitución de que ningunha confesión terá carácter oficial no Estado. A moción quer que as "outorgar ás institucións públicas de carácter público a calidade de aconfesionais". A finalidade, explica, garantir a liberdade de conciencia e a independencia da administración pública. Entre os puntos que recolle esta moción está a "supresión de«todo tipo de simboloxía relixiosa nos actos oficiais e nos espazos de titularidade pública que dependan do Concello". Tamén propón que "os membros da corporación local e o persoal ao servizo da administración municipal non mostrarán, no exercicio do seu cargo ou das súas funcións, ningún xesto de submisión ou veneración de persoas ou imaxes relixiosas". Tampouco se fará doazón ou se facilitará solo público nin locais, así como achegas públicas ou bonificacións fiscais para a instalación de infraestruturas ou actividades de confesións relixiosas. |
NOS_30808 | A OPA sobre Liberbank quere situar a entidade financeira entre as seis máis importantes no Estado, consolidar e incrementar a súa presenza no Noroeste peninsular e estenderse por Castela-A Mancha e Estremadura. | Juan Carlos Escotet aseguraba a finais de xaneiro, na presentación dos resultados de Abanca en 2018, que a súa intención era que a entidade financeira continuase medrando con compras no Estado español, Portugal e Estados Unidos. A adquisición da banca minorista de Deustche Bank en Portugal e da filial española do primeiro banco de Portugal, a Caixa Geral, abriu o apetito de Escotet: Abanca situábase con ese movemento como sétima entidade financeira no Estado. O lanzamento dunha OPA sobre Liberbank permitiría a Abanca escalar un posto e pasar a ser o sexto banco. Consolidaría a entidade no Noroese peninsular e permitiría estenderse a Castela-A Mancha e Estremadura, zonas onde a concentración e centralización bancaria impulsada a lombos da crise tamén destrozou o seu sistema financeiro. A Comisión Nacional do Mercado de Valores deu dez días, empezados a contar desde esta segunda feira, para que a entidade galega manifeste se formula unha OPA sobre Liberbank. No caso de que manifeste adoptar a decisión de formular unha OPA sobre Liberbank nos termos previstos no Real Decreto de OPA, pídelle que publique inmediatamente un anuncio corrixindo aqueles aspectos da información publicada na tarde da pasada sexta feira que impiden considerala como un anuncio de tal natureza e, en particular, eliminando toda referencia á suxeición da oferta a un proceso de revisión. A oferta de compra de 0,56 euros por acción non convenceu Liberbank, que esta sexta feira consideraba que o de Abanca nin sequera pode ser tida en conta como unha oferta, polo que mantiñan o seu roteiro: fusionarse con Unicaja. Desconfiaban de Abanca, entre outras cuestións, por non explicar como financiaría esa OPA, valorada en 1.700 millóns de euros. Hai partido Porén, entre certos accionistas de Liberbank semella que o paso dado por Abanca non desagrada, así que hai partido. E nese partido van ter un peso fundamental os principais accionistas de Liberbank. As tres fundacións das ex caixas (Asturias, Estremadura e Cantabria) suman 24% do capital. O investidor mexicano Luis Tinajero controla 7,4% e a asturiana famila Masaveu (negocios en adegas, eléctricas portuguesas, inmobles en EUA…) ten 5,5%. E non se pode perder de vista Oceanwood, con máis de 17% do capital. É un fondo de capital risco con sede nas Illas Caimán e que en 2017 entrou no Consello de Liberbank, do que era xa accionista. Estaría interesado en vender e por iso a oferta de Abanca énchelle o ollo. Escotet, o 17 banqueiro máis rico do mundo segundo Forbes -cunha fortuna de 3.700 millóns de euros-, sopesa agora o paso a dar após o anuncio da sexta feira. Unha parte da ponte de mando de Liberbank opta por seguir co proceso de fusión con Unicaja e desbotar o 'canto de serea' de Abanca. Mais non é esa a opinión unánime. De aí que aínda haxa marxe para que Escotet sitúe Abanca como sexto banco no Estado, cumprindo así un dos seus obxectivos. Non o último. |
NOS_36214 | O candidato nacionalista retrucou desde Cangas ao presidente do goberno español quen advertira que a derrota do PP o 21-O suporía "poñer en risco a unidade de España". Jorquera demandou máis autogoberno para "rachar coas políticas antisociais ditadas desde Madrid" e volveu reclamar a Feijóo que faga públicos os "contratos pantasma" con Pemex. | As declaracións de Mariano Rajoy en que afirmaba que unha derrota do Partido Popular o vindeiro 21-O suporía "poñer en risco a unidade de España", foron contestadas hoxe por Francisco Jorquera. No mitin que o BNG realizou en Cangas, o candidato do BNG retrucou ao "tándem Rajoy-Feijóo" que "o que está en perigo non é a unidade do Estado español senón Galiza de continuar sometida ás políticas do PP". Jorquera demandou máis autogoberno para "rachar coas políticas antisociais ditadas desde Madrid" Diante dun auditorio ateigado, Jorquera asegurou que o 21-O o electorado enfronta unha oportunidade dobre: "frear a Feijóo e evitar que Rajoy teña un aval para continuar cos recortes". A necesidade de autogoberno foi outro dos aspectos abordados na intervención do cabeza de lista do BNG. En resposta á afirmación de Núñez Feijóo de que á sociedade galega "non lle interese máis autonomía" o nacionalista instouno a "preguntarlle ao pobo galego se lle parece ben que en Bruxelas digan que non podemos pescar nin construír barcos". O candidato do Bloque defendeu a necesidade de maior autogoberno fronte ao proceso de recentralización do estado, para "rachar coas políticas antisociais ditadas desde Madrid". Carlos Aymerich advertiu que as políticas do PP "van directamente ás carteiras das persoas", facendo referencia ao impacto dos recortes nos servizos públicos e na rebaixa de salarios e a eliminación da paga extra d@s empregad@s públicos. Insisten en que Feijóo faga públicos os contratos de PEMEX Máis unha vez Pemex volveu colarse na campaña. Despois de que directivos da empresa mexicana engadisen novas dúbidas a respecto de se finalmente os estaleiros galegos fabricarán os dous floteis anunciados, Jorquera reiterou a exixencia de que Feijóo revele o contido dos denominados "contratos pantasma". Asemade, no BNG apuntaron que se o presidente da Xunta non fai públicos os contratos estaría "ocultando algo" e advertiron que "Galiza non pode permitirse un presidente que minta". |
NOS_8020 | A viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, lembra que "levamos case tres meses sen poder utilizar unha infraestrutura que é estratéxica para o conxunto da Galiza. | O BNG reclama ao Goberno estatal "a máxima axilidade e a máxima rapidez" no desenvolvemento das obras que se están a acometer na ponte do Castro, na autovía A-6, logo de que esta se derrubara o pasado mes de xuño por causas que, aínda hoxe, seguen sen esclarecerse. A viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, lembra que "levamos case tres meses sen poder utilizar unha infraestrutura que é estratéxica para o conxunto da Galiza, pero moi especialmente para a poboación de Lugo e moi especialmente tamén para os sectores económicos e produtivos do noso país" que, segundo advirte, "están sufrindo un enorme prexuízo económico polo retraso nas obras desta infraestrutura que conecta Galiza coa Meseta". Cae o tramo do viaduto do Castro que aínda quedaba en pé, despois de 48 horas de traballos Así mesmo, Rodil lembra que "aínda están por resolver, por esclarecerse, cales son as razóns, as causas, pola que se veu abaixo unha ponte que hai que lembrar ten apenas 20 anos". Os motivos do derrubamento "Desde o BNG seguimos exixindo que se acometan os estudos, as análises e as investigacións que procedan para esclarecer cales foron os motivos polos que se puido producir ese derrubamento", afonda a deputada nacionalista para engadir a continuación que é preciso tamén auditar as demais infraestruturas "que se encontren nunha situación semellante ou que se poidan atopar nunha situación semellante á da ponte do Castro da A-6". Neste sentido, a viceportavoz do Bloque insiste, "non cansaremos de repetilo", e incide- en mostrar as sospeitas que rodean a falta de información sobre o acontecido no viaduto. "Pacto de silencio" "Moito nos tememos que hai un pacto de silencio entre o PP e o PSOE para tapar cales son as razóns polas que unha infraestrutura tan nova -porque 20 anos para unha autovía non debería ser nada- e non deitar luz sobre a responsabilidade que puidesen ter as empresas construtoras nese derrubamento", alerta. Moito nos tememos que hai un pacto de silencio entre o PP e o PSOE para tapar cales son as razóns polas que unha infraestrutura tan nova A "caótica" situación que viven os transportistas ao cruzar Pedrafita: "Isto é un descontrol total" "Por iso, o que pedimos é a máxima transparencia e tamén a máxima información para coñecer cales foron as razóns polas que se produciu ese derrubamento e, sobre todo, para impedir que poida volver acontecer e exixirlle as responsabilidades que correspondan ás empresas, se así fose necesario", conclúe. |
NOS_46468 | O xornalista Omar Bello fala de "As campioas discretas" nun artigo dedicado ás xogadoras do Burela Pescados Rubén de fútbol sala, que veñen de gañar a súa terceira liga. Ademais, analízanse as prácticas deportivas nesta "nova normalidade" por mor do coronavirus. | Após semanas falando do fútbol galego en todo momento, o Nós Diario de hoxe achega un caderno 'Xogar' especial no que non se fala desta disciplina. As páxinas dedícanse a outros deportes ben interesantes. O xornalista Héctor Pena escribe, co loitador Zayas como guía, o artigo "Pero que raio é o 'wrestling'?". Na peza conta o fenómeno fans deste deporte-espectáculo que é toda unha relixión nos EUA. A Federación Galega de Loita asina o 'Meta voante' con "O deporte fronte á crise sanitaria". A reportaxe central do 'Meta voante' destínase ás xogadoras do equipo de fútbol sala Burela Pescados Rubén. O xornalista Omar Bello explica en "As campioas discretas" que estas deportistas de elite gañaron hai escasas semanas o seu terceiro campionato de Liga. Deporte nesta normalidade A sección 'Pé a terra' analiza "O baloncesto na nova normalidade" da man de Francisco Martínez, o presidente da Federación Galega de Baloncesto. O director da revista 'O Dez', Óscar Taboada, escribe "A todo 'filispín'". E Juan Copa, o entrenador do Liceo de Hóckey a patíns ocupa o 'Selfie' desta quinta feira. O apartado 'Quen fai que' mestura os movementos e novidades dos equipos galegos de baloncesto e os campionatos de tenis e piragüismo previstos neste tempo. (Podes ler os artigos do suplemento Coñecer, en Nós Diario, á venda no teu quiosque ou na nosa loxa) Suplementos diarios de carácter temático 'Coñecer', 'Aprender', 'Xogar', 'Gozar' e 'Producir' publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel. |
NOS_23733 | O nome de Antón Gómez-Reino é o que máis soa no partido morado para liderar a súa candidatura propia. | O espazo das forzas da esquerda galega á esquerda do PSdeG segue en apuradas negociacións para intentar pechar unha nova confluencia para as eleccións galegas do vindeiro 5 de abril. Podemos, Esquerda Unida, Anova e as mareas municipais lideradas por Compostela Aberta e Marea Atlántica falan de "responsabilidade" e "xenerosidade" á hora de afrontar as conversas precipitadas polo adianto electoral. Mais as po-sicións semella que comezan a enrocarse. Segundo fontes de Podemos Galiza consultadas por Nós Diario, a formación morada "non valora" outro escenario que non pase porque a candidata que saia das súas primarias sexa a que represente a toda a confluencia nos comicios. As primarias de Podemos contemplan un proceso de votación que vai do 21 ao 25 de febreiro e que o reconto se leve a cabo o día 26 para, así, proclamar a unha candidata o 27, xusto dous días antes de que o seu líder, e vicepresidente do Goberno do Estado, Pablo Iglesias, aterre na Galiza. Podemos defende xogar un papel hexemónico na confluencia e fai fincapé na súa "lexitimidade" para seguir esta liña. Desta maneira, segundo puido saber onte Nós Diario, destacan que as forzas soberanistas "teñen que darse conta do peso específico que teñen" e dos "resultados" que tiveron as candidatas que poden chegar a propoñer desde ese partidos, entre os que están Anova e as mareas municipais. O nome que soa con máis forza para liderar esa candidatura triunfadora nas primarias de Podemos Galiza é o de Antón Gómez-Reino, actual portavoz da coalición Galicia en Común no Congreso das Deputadas. Gómez-Reino, que no día de hoxe podería anunciar a súa candidatura ás citadas primarias moradas, contaría co apoio do propio Pablo Iglesias para tomar esta decisión. |
NOS_3295 | O Día da Galiza Mártir e o mes da memoria, as portas xiratorias en Galiza, seis miradas sobre as eleccións do 25S, a regueifa na lusofonía, viaxar de sofá en sofá... todo isto, e moito máis, neste número do semanario, xa á venda na nosa loxa. | Actos e homenaxes en todo o país recordan as persoas asasinadas e represaliadas por defenderen os dereitos nacionais e a liberdade do país. O labor para a recuperación da memoria das mulleres represaliadas de Aurora Marco será recoñecido este ano, cando se fan 80 anos do inicio do terror, co premio da Galiza Mártir. "Aínda hai moitísimas páxinas en branco por encher da memoria galega", afirma Aurora Marco. Un tema que tratamos en 'O mes da memoria'. A memoria histórica fixo xustiza na sede da Deputación da Coruña, onde se homenaxearon representantes políticos asasinados polo após o golpe militar. 'A Deputación da Coruña fai revivir os cargos públicos represaliados no 36'. Desde hai máis dunha década milleiros de persoas en todo o mundo partillan experiencias através dunha rede que conecta os seus sofás. Trátase do couchsurfing, unha maneira sinxela e moi económica de percorrer o mundo ao tempo que descobres persoas, culturas e linguas diferentes ou, simplemente, atopas un oco no que pasar a noite. Contámoscho en 'Percorrer o mundo surfeando entre sofás'. En 'Seis miradas para o 25S' achegamos seis voces para opinar sobre as eleccións galegas. Antón Losada, Xosé M. Pereiro, Pilar García Negro, Manuel Veiga, Pilar Fernández e Miguel Bastos. O PNV aspira á reelección de Urkullu e a esquerda abertzale aposta no efecto Otegi nuns comicios nos que a coligazón liderada por Podemos podería alterar a correlación de forzas en favor do bloque constitucionalista. 'O incerto panorama electoral en Euskadi'. Ex-conselleiros, ex-ministros, exdirectores xerais... a nómima de cargos públicos que, unha vez cesados, pasaron a consellos e pontes de mando de grandes compañías non é pequena. Unhas fichaxes que evidencian a estreita ligazón e conexión de intereses entre certa política e a empresa privada. 'As portas xiran na Galiza'. En 'A regueifa ou a arte de improvisar na lusofonía'. Viaxamos desde a Galiza até o Brasil facendo escala na Illa da Madeira para dar a coñecer, a través dos diferentes sotaques, unha pequena mostra da arte da improvisación oral en verso no mundo lusófono. Achegámonos ao repente no nordeste do Brasil, á regueifa na Galiza e ao despique na Illa da Madeira. Na contra-capa, os coídos que agroman en Baroña e a selfie-entrevista á fotógrafa Alicia Martínez. E temos as achegas de David Otero ('Galicia en Poio e Pontevedra') e Marga Do Val ('Tréveris, benquerida'). Felipe Senén fálanos de 'Onde aínda afondar: Cuevillas e a ciencia da Arqueoloxía' e Mario Regueira, na crítica de literatura, sobre 'Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores', de Silvia Penas. Andrés Castro debúllanos o filme 'Green Room', de Jeremy Saulnier. Xurxo Souto lévanos ' Na procura dunha lenda, Finita Gay'. E Paula Mariño pregúntase se 'Existe para a Xunta o Museo do Pobo Galego?'. E aínda hai máis: banda deseñada, o fóra de serie... |
PRAZA_7372 | A Asociación Ecoloxista Coto do Frade censura os danos causados no río Miño pola compañía eléctrica "coa conivencia das administracións" e achega datos, informes e imaxes sobre as irregularidades. Piden o "derrube" da presa. Vídeo no interior. | A Asociación Ecoloxista Coto do Frade vén de denunciar ante a Fiscalía a Gas Natural Fenosa, a Consellería de Medio Ambiente e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ante a situación que a presa da compañía eléctrica en Frieira leva provocando anos no río Miño e, nomeadamente, ao seu paso polos termos de Padrenda (Ourense) e Crecente (Pontevedra). A denuncia, presentada na mañá deste xoves, céntrase en dous aspectos. O primeiro deles, no feito de que o sistema instalado pola empresa "non garanta as migracións de peixes", o que, segundo a asociación ecoloxista "conculca a lexislación vixente". "O novo modelo de ascensor existente en Frieira é, en teoría, capaz de pasar estes peixes até o outro lado de encoro, pero na práctica isto nunca se deu", explica Coto do Frade, que engade na denuncia varios vídeos nos que se pode apreciar "a inutilidade" dun mecanismo "ridículo" malia ser aceptado hai xa tempo polas autoridades, como destaca Braulio Estévez, vicepresidente da agrupación. O tránsito das especies migradoras, xa que logo, vese impedido unha vez máis por unha das múltiples presas que inundan os ríos galegos. Coto do Frade denuncia o "aproveitamento ilegal do caudal ecolóxico" e a "inutilidade dos sistema que permitiría a migración dos peixes" Ademais, Coto do Frade fai fincapé tamén na denuncia no "aproveitamento a todas luces ilegal que se está a facer hoxe en día do caudal ecolóxico no encoro de Frieira", unha situación que, tal e como advirten, atenta contra a legalidade vixente. "Por que non se obriga a Gas Natural Fenosa a cumpirir o que debe? É compatible este aproveitamento coa conservación das especies que se pretende nun prinicipio e tendo en conta que a lei non o permite por ser incompatible coa vida do río?", pregúntase a asociación, que lembra que "a connivencia das administraciós coas compañías eléctricas" é o que leva anos provocando a destrución do medio natural, desta vez neste espazo. Ademais, a agrupación ecoloxista asegura que no aproveitamento do caudal ecolóxico existe un delito ambiental, pero tamén "prevaricación" por parte da Administración, polo que pedirán penas de cárcere. A asociación ecoloxista pide "a eliminación e o derrube" do encoro de Gas Natural Fenosa A denuncia, que engade unha morea de anexos e documentación na que se poderían apreciar as irregularidades cometidas pola empresa, a Xunta e o Goberno central, destaca tamén o "carácter de reincidencia" levado a cabo por Gas Natural Fenosa a través do "exterminio e espolio" levado a cabo pola compañía grazas a unha concesión. Así, Coto do Frade considera que o único xeito capaz de solventar os efectos negativos que este encoro tivo para o Miño só se conseguirá a través do seu derrube". Do mesmo xeito, piden que se aborde "dunha vez" a cuestión do "prazo preconstitucional dado a esta concesión", outorgada por 75 anos durante a ditadura franquisa e polo que solicitan o amparo da Fsicalía". "A reparación do dano causado só se podería lograr a través da incoación do expediente de caducidade de concesión", engade o colectivo, que insiste a través da denuncia en que "o impacto social, económico e ambiental" do encoro "é desproporcionado", polo que se "debe proceder á súa eliminación". |
PRAZA_12827 | Que é para nós a beleza? Ten que ver coas palabras dos poetas ou cos anuncios de Corporación Dermoestética? Son as próteses PIP a derradeira constatación de que os ideais estéticos son, ao cabo, un engano? É a beleza un perigo mortal? Está na superficie das cousas ou no seu fondo? Existe aínda o fondo das cousas ou o fondo só brilla grazas á superficie? | A beleza suxéitanos á vida. Ou cando menos iso é o que defenderon algúns poetas e algúns filósofos. Na forma exacta das súas palabras cremos recoñecer algo así como un sentido oculto que, de non ser por eles, non merecería credibilidade ningunha. "A beleza é verdade, a verdade é beleza", escribe Keats ao cabo da súa Oda a unha ánfora grega. E por se fose pouco, decide comezar o poema Endymion afirmando que "un pouco de beleza é un pracer inmortal". Máis humilde, Stendhal respondeulle que a beleza non era máis que "unha promesa de felicidade". Stendhal acertou. Por difícil que sexa cumprir unha promesa, prometer é algo sólido. Máis humilde, Stendhal respondeulle que a beleza non era máis que "unha promesa de felicidade". Stendhal acertou. Por difícil que sexa cumprir unha promesa, prometer é algo sólido Que é para nós a beleza? Ten que ver coas palabras dos poetas ou cos anuncios de Corporación Dermoestética? Son as próteses PIP a derradeira constatación de que os ideais estéticos son, ao cabo, un engano? É a beleza un perigo mortal? Está na superficie das cousas ou no seu fondo? Existe aínda o fondo das cousas ou o fondo só brilla grazas á superficie? A beleza esperta en nós prevención e desexo. Non sabemos que pensaría dela o filósofo Spinoza, que na súa Ética quixo distinguir entre as paixóns activas e as pasivas. Con rigor demostrou que a bondade ou maldade dun sentimento reside unicamente na súa capacidade para nos activar ou para nos inhibir. As emocións boas non serían, segundo Spinoza, as moralmente axeitadas –sexa iso o que for-. As paixóns boas (que el denomina activas) son todas as que nos moven a actuar. As que espertan o noso desexo As emocións boas non serían, segundo Spinoza, as moralmente axeitadas –sexa iso o que for-. As paixóns boas (que el denomina activas) son todas as que nos moven a actuar. As que espertan o noso desexo. Pola contra, as paixóns pasivas son as que nos deteñen. Entre as malas paixóns, curiosamente o filósofo incluíu a esperanza. O primeiro que lle debemos á Spinoza é a destrución intelectual do moralismo. A súa segunda grande lección é a distinción entre a esperanza, feita de pasividade, e a confianza, asentada en certezas. É a beleza unha forza? Pode ser un motor? Parécese máis á esperanza ou á confianza? Está máis perto do accesible ou do inaccesible? A súa segunda grande lección de Spinoza é a distinción entre a esperanza, feita de pasividade, e a confianza, asentada en certezas Desde a modernidade, todo son preguntas. Celebrar alegremente a fermosura atenta co noso razoable escepticismo. Non queremos darlle as costas a Baudelaire, fundador dunha estética do feo. Nin ao paraugas no quirófano de Breton, nin ao bourear da guerra –da que xa non podemos dicir que é máis fermosa que a Vitoria de Samotracia. Porque estes violentos anos dez son unha fábrica de medo. A guerra, que antonte era un espellismo, hoxe comeza a ser unha pantasma. A modernidade (e o feminismo, unha das súas principais consecuencias) aprendeunos a desconfiar da beleza. A desconfiar diso que outros –porque sempre son outros- denominan beleza. E con todo, ás veces seguimos lendo. E algúns de nós seguimos lendo a Proust. Lemos o que, a propósito do acto de ler, escribiu Proust sobre a beleza. Grazas a unha fermosa tradución de Carlos Lema, agora podemos escoitalo disertar en galego: A modernidade (e o feminismo, unha das súas principais consecuencias) aprendeunos a desconfiar da beleza "Percibimos moi claramente que a nosa sabedoría comeza onde a do autor remata, e gustaríanos que el nos dese respostas, cando o único que pode facer é darnos desexos. E eses desexos, só os pode espertar en nós cando nos fai contemplar a beleza suprema á que o derradeiro esforzo da súa arte lle permite chegar. Mais, por unha lei singular e tamén providencial da óptica dos espíritos (lei que se cadra significa que ninguén nos pode entregar a verdade, que temos que ser nós mesmos os que a creemos), o que é o final da súa sabedoría aparécesenos como o principio da nosa, de xeito que é no momento no que xa nos dixeron todo o que nos podían dicir cando eles fan nacer en nós a sensación de que aínda non nos dixeron ren. "Un efecto do amor que os poetas espertan en nós é facernos atribuír unha importancia literal a cousas que para eles só son significativas como emocións persoais" E ademais, se nós lles facemos preguntas ás que eles non poden contestar, tamén lles pedimos respostas que nada nos habían aprender. Pois un efecto do amor que os poetas espertan en nós é facernos atribuír unha importancia literal a cousas que para eles só son significativas como emocións persoais" (Sobre a lectura, Editorial Trifolium, 2011, páxinas 105-106). Nas reviravoltas dunha frase de Proust, convertendo as sensacións en lei da experiencia humana, a beleza segue a nomear unha misteriosa relación da verdade coas cousas. *B da caixa alta de Daniel Elzevir (c. 1660) (reconstrución dixital de Dutch Type Library) |
NOS_55924 | Os orzamentos da RAG reduciranse nun 50% entrementres as academias españolas só terán un 39% menos. Desde a chegada do PP ao goberno español a institución galega pasou de recibir 1 millón de euros a contar só con 340.000. A RAG está a preparar unha resposta mais X.L Méndez Ferrín adianta que está en desacordo | O goberno español continúa coa discriminación de Galiza no conxunto do Estado. A institución que ten por lei "o estudo da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego", a Real Academia Galega (RAG), foi a máis castigada por Mariano Rajoy desde a súa chegada en 2010. O último ano do goberno do PSOE os orzamentos do Estado aumentaran en 800.000 euros, deixando o total do recibido en 1 millón de euros, despois de pactar unha emenda do BNG presentada por Francisco Jorquera con que se "corrixía unha discriminación histórica". Xosé Luís Méndez Ferrín, afirmou estar "en desacordo" con esta decisión do goberno español e asegurou que "estamos a preparar unha resposta conxunta desde o Plenario" As primeiras contas aprobadas polo PP en Madrid, as de 2012, reduciron a 680.000 euros esa cantidade e agora o recorte foi aínda peor. Nos Orzamentos Xerais do Estado para o 2013, aprobados hai uns días, figura que a Real Academia recibirá só 340.000 euros, un 50% menos que nas contas anteriores. A "rebaixa" económica do PP para coa nosa institución pasou, daquela, de 1 millón a 340.000 euros en pouco mais dun ano. En declaracións a Sermos Galiza o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, afirmou estar "en desacordo" con esta decisión do goberno español e asegurou que "estamos a preparar unha resposta conxunta desde o Plenario" sobre esta cuestión. As españolas con menos recortesA Real Academia Española segue a ser a que máis inversión recibe, este ano con 1,9 millóns de euros, un 39% menos. O mesmo "recorte" teñen as de Historia (recibirá 558.000 euros) ou a de Ciencias Morais e Políticas (terá 431.000 en 2013). O polémico proxecto de Dicionario Biográfico Español, con valoracións positivas da ditadura franquista e moitos erros sen corrixir, ten o apoio do executivo e conta para o ano 2013 con 99.000 euros "para o seu mantemento e actualización". Institución centenariaA RAG naceu en 1906, un ano antes que a súa homónima catalá do Institut d'Estudis Catalans (1907) e doce antes que a Euskaltzaindia de Euskadi (1918). Na actualidade consta de tres Seccións (Lingua, Literatura e Historia) que funcionan por seminarios. Non últimos anos o seu traballo aumentou coa organizaron de varios congresos e a edición de varias publicacións, ademais de fornecer de ferramentas en rede como o seu dicionario lexicográfico. |
PRAZA_9020 | Mentres algún lector continúa agardando pola gran novela galega, a pequena novela galega colle pulo. Inclúan algún destes libros na súa carta de reis ou agasallen novela breve a calquera lectora. E, sobre todo, abandonen os prexuízos e gocen da lectura en curto | Mentres algún lector continúa agardando pola gran novela galega, a pequena novela galega colle pulo. Ao meu ver, o mellor que se escribe nos últimos tempos non chega a ocupar duascentas páxinas, e o certo é que os escritores que poñen empeño en tachar e esencializar por vez de engadir, sumar e estirar convencen ás lectoras, propoñen narrativas estimulantes, comparten andel sen remorsos con volumes máis pesados, acadan premios e bailan libres. Mentres algún lector continúa agardando pola gran novela galega, a pequena novela galega colle puloNon quere dicir isto, madia leva, que quen escribe novelas das que se dan en chamar "de longo alento" non corrixa, nin que non se escribisen nos últimos tempos obras notables que o son en peso e en calidade literaria por igual. Nisto do tamaño hai de todo en todas as tallas. Mais é certo que nun contexto no que aínda abonda a tendencia a medir a excelencia a vulto, cómpre reivindicarlle o valor a quen se move no rexistro curto e emprende a tarefa de construír un mundo de entidades escollidas ao milímetro, no que non hai espazo para camiños equivocados ou obxectos prescindibles, coma quen trata de amoblar unha bufarda e convertela nun espazo exquisito: se todo está cerca e diante dos ollos, todo o que hai debe ser necesario e fermoso no sentido máis puro, e o que non o é simplemente non debe estar. Os froitos valiosos que viron a luz no último ano dentro do noso sistema literario xustifican escribir unha louvanza do breve.Os froitos valiosos que viron a luz no último ano xustifican escribir unha louvanza do breveUn deles é Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, que acadou o Premio Xerais con este libro curto en extensión e de prosa medida, profundamente fragmentario en segmentos que poderían ser pezas case autónomas. Chega despois de Bibliópatas e fobólogos, galardoado co Premio da Crítica española, tamén un libro de curto formato e inusual no estilo. Ambos confirman a Pedreira como unha das narradoras máis salientables do panorama actual, sen ter escrito ningún libro extenso.A carta da fragmentación e da narrativa como crebacabezas aparece tamén na novela Extraordinario, coa que Antón Lopo vén de gañar o Premio Repsol de Narrativa Breve (un dos poucos premios de novela que admiten pequenas extensións). Nela, un conxunto de pezas narrativas de diferente tamaño reconstrúen un universo infindo de relacións rotas e personaxes que tocan fondo, porque é un libro que fala, deste o pequeno, de todo o grande e dos misterios máis profundos do humano, na enfermidade e no amorInclúan algún destes libros na súa carta de reis ou agasallen novela breve a calquera lectora. E, sobre todo, abandonen os prexuízos e gocen da lectura en curtoMichigan, acaso Michigan, de Antón Reixa, Tres pintores, de Cid Cabido, Principio de incerteza, de Pilar Ortega e Non o saben as estrelas de Diego Alfonsín, acoden a contextos tamén frecuentes na novela breve: a narración dunha pequena parte dentro de vidas singulares, é dicir, a posta sobre o mantel do detalle, o relato dun feito concreto e inusual da propia experiencia, e a pequena historia que merece ser contada fóra do rexistro do conto, porque é un universo en si.Inclúan algún destes libros na súa carta de reis ou agasallen novela breve a calquera lectora. E, sobre todo, abandonen os prexuízos e gocen da lectura en curto, pode ser alta literatura. |
NOS_37583 | Os ex-directores de Caixa Galicia e Caixanova, entre os citados, así como o actual mandatario de NGB. A Fiscalía cifra en máis de mil millóns de euros a cantidade ibtida por "prácticas abusivas" | O 19 de setembro realizarase o xuízo pola comercialización de preferentes e subordinadas tras a demanda presentada pola Fiscalía superior de Galiza. Unha vista que ten lugar após que o xulgado non admitise a trámite a demanda en relación ás accións de nulidade e resarcimento fronte a Caixa Galicia e Caixanova. A fiscalía chamará a eclarar como estemuñas máis de 650 persoas, Os ex-directores de Caixa Galicia e Caixanova, entre os citados, así como o actual mandatario de NGB |
PRAZA_7867 | O foro liderado por Xaquín Fernández Leiceaga presenta o seu manifesto no que reclama "abrir o debate de ideas" e primarias abertas para elixir un novo líder. Vídeo no interior. | Novo Socialismo Galego (NSG) saíu á palestra este sábado e oficializou o seu nacemento dentro do PSdeG tras facer público o seu manifesto Por un novo socialismo galego. A Galicia que queremos. O partido que necesitamos. Con este documento, o foro que lidera Xaquín Fernández Leiceaga procura "abrir o debate de ideas" no partido, pero tamén axudar a que se celebre un Congreso "antes do verán" e que a elección do secretario xeral se leve a cabo a través de primarias abertas e "sen intermediarios". NSG pide un congreso "antes do verán" e primarias abertas para elixir líder "sen intermediarios" Entre os apoios a este documento encóntranse, entre outros, Mar Barcón, Antón Louro, Iván Puentes (ex alcalde de Fene) ou Silvia Fraga, ex deputada no Parlamento. Na presentación oficial do documento, Leiceaga aclarou que foi "a crise económica social derivada nunha crise política de enorme profundidade na esquerda" a que os levou a apostar por este foro. "En Galicia esta crise é particularmente grave no ámbito progresista que, como ben indican os resultados electorais, cae sobre un PSdeG que xera escasa confianza e que ten un liderado débil", sinalou. O foro que lidera Leiceaga cre que o PSdeG "xera escasa confianza" e ten "un liderado débil", polo que pide "rexeneración" O obxectivo deste manifesto, segundo engade Leiceaga, é facer "unha chamada urxente, seria, responsable e racional" para "unha rexeneración interna" no partido e poder así "construír un proxecto para a maioría dos galegos desde valores progresistas". Para conseguir este proxecto "homoxéneo, horizontal e aberto á sociedade", o NSG aposta pola aplicación "extensiva" do principio de "un militante, un voto" e a elección "sen intermediarios" do secretario xeral. Pero ademais, esta plataforma vai máis aló e avoga tamén por levar a cabo primarias abertas á cidadanía progresista para a elección de candidatos tanto á presidencia da Xunta de Galicia como á alcaldía dos municipios galegos. A plataforma aposta claramente pola "supresión das deputacións provinciais" Por outra banda, NSG tamén avoga pola aplicación "extensiva" do principio de transparencia a todo o ámbito público e por permitir a presenza dos grupos da oposición en todas as comisións de contratación no ámbito local. "Facemos unha reflexión interna das causas da esclerose do partido como instrumento de representación en primeiro lugar da militancia pero tamén do conxunto da sociedade", sinalou Xaquín Fernández Leiceaga antes de manifestar a "necesidade de facelo máis horizontal, aberto á sociedade e que incorporar a intelixencia ao labor político". NSG tamén quere incluír no debate social a necesidade de "repensar a fondo" o modelo institucional que, como considerou Leiceaga, "hoxe está en cuestión" debido a que "as propias institucións non están a cumprir o seu papel". Neste sentido, apostou por "suprimir as deputacións, que non achegan ningún valor engadido" e "repensar unha planta institucional" na que "a transparencia debe de ser norma de conduta" e na que "haxa tolerancia cero coa corrupción". Por último, o manifesto tamén considera necesario "repensar o sistema fiscal de arriba a abaixo" para que "conseguir que todos os cidadáns paguen en función das súas capacidades económicas" pois "só desa forma se conseguirá un estado que poida soportar os gastos sociais aos que os cidadáns teñen dereito". |
NOS_47172 | O presidente da Xunta entrou por unha porta secundaria do complexo hospitalario da Mariña, afirma a CIG, para así evitar os protestos do persoal e da veciñanza. | Núñez Feijóo desprazouse esta cuarta feira á comarca da Mariña para visitar o Hospital da Costa e anunciar a súa ampliación. Mais a visita foi, segundo o sindicato CIG Saúde desa comarca, "covarde e vergoñenta" pois o presidente optou por entrar, afirman, pola porta de servizo para así non ter que escoitar a traballadores e veciños concentrados "para pedir a súa dimisión e protestar polo decreto de xestión provincial imposto no 2013 que significou a expropiación da xestión dos recursos sanitarios do centro hospitalario da Mariña". A federación da saúde, ademais, denuncia "medidas de presión ditadas por Feijóo intentando quitarlles a faixa e os carteis de protesta e impedindo a entrada ao salón de actos a determinadas traballadoras e traballadores". Solucións e non "demagoxia" O sindicato sostén que o que precisa e demandan profesionais e veciñanza para a sanidade a da comarca é un decreto de xestión integrada propio "para xestionar atención primaria e especializada, un modelo que aposte polo crecemento do Hospital con plena capacidade para xestionar os seus recursos e non medidas que teñen como fin fundamental recortar servizos sanitarios públicos para converter este hospital nun ambulatorio grande, deteriorar os centros de saúde e, alimentar o negocio da sanidade privada". "Mentres iso non se cumpra", asevera, "todo o que se anuncie é demagoxia". Fotos: Xoán Estúa e CIG-Mariña |
NOS_47406 | O Bloque Nacionalista Galego comprometeuse a traballar polo «desbloqueo da axenda galega» no Congreso das e dos Deputados, institución na que o seu escano «marcará un antes e un despois» despois de «anos de ninguneo constante a Galiza», segundo Ana Pontón, quen asistiu na terza feira, canda o deputado Néstor Rego, á sesión de constitución da Cámara baixa. | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o deputado no Congreso, Nestor Rego, destacaron esta terza feira en Madrid que a presenza do BNG na Cámara baixa supón un punto de inflexión que porá fin á discriminación do Estado con Galiza dos últimos anos. En declaracións aos medios, Pontón asegurou que arrinca unha lexislatura "moi ilusionante para Galiza". "Despois de catro anos volvemos ter voz da man do BNG", celebrou a nacionalista, que lamentou as "varias lexislaturas nas que Galiza estivo excluída dos debates, dos investimentos e da planificación". "Iso supón unha discriminación moi grave para o noso país", apuntou. Por tanto, considerou que a xornada desta terza marca un punto de inflexión no que "o escano do BNG se converte no escano de Galicia". Así, mostrou o compromiso da súa formación a traballar polo "desbloqueo da axenda galega" despois de anos nos que os problemas de Galiza "foron ignorados". Neste sentido, entre outras cuestións, considerou necesario "solucións" á crise industrial das electrointensivas, aos problemas das infraestruturas galegas, á falta de saneamento das rías e á necesidade de modernización do ferrocarril. Rego tomou posesión cun exemplar do 'Sempre en Galiza' na man e a fórmula "Comprométome a defender Galiza, a democracia e a soberanía. E por imperativo legal, prometo" A xefa de filas do BNG tamén destacou que, nun escenario sen maiorías absolutas, "o diálogo será moi importante". "Hai unha Cámara na que o peso do nacionalismo é cada vez maior e iso o que está a pór de manifesto é que hai unhas reivindicacións que o Estado non pode ignorar", apuntou. Liberdade, democracia e nación "Desde Galiza queremos contribuír a que haxa un diálogo que realmente signifique unha defensa da liberdade, dos dereitos, da democracia e de Galiza como unha nación", indicou Pontón. E é que, segundo apuntou, é necesario "recoñecer que hai un estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe e que non se pode seguir pechando os ollos a esa realidade", concluíu. Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanzou que o Bloque manterá unha "actitude construtiva" na Cámara baixa pero "firme na defensa dos intereses da Galiza, dos dereitos sociais e de vos dereitos nacionais" do pobo galego. Ademais, indicou que a primeira iniciativa que os nacionalistas galegos presentarán será en relación ao encallamento do Blue Star na costa de Ares (A Coruña). "Un accidente que nos lembrou a indefensión das nosas costas", asegurou Rego, que adiantou que pedirá a transferencia a Galiza das competencias de Salvamento Marítimo. Anos de esquecemento Para Rego, o arranque desta lexislatura ten unha diferencia fundamental, "porque coa presenza do BNG Galiza vai estar presente en todos os debates políticos desta cámara coa vontade de que todos os problemas do país atopen solución. Levamos moito tempo esperando, tras anos de esquecemento por parte do Estado e é hora de que isto mude", recalcou. O deputado do BNG optou pola abstención na votación para a elección da presidencia da Cámara baixa, e lembrou a Castelao na súa papeleta. |
NOS_50214 | Tanto o Concello como a comunidade de montes iniciarán accións legais contra a empresa, anuncia Ecoloxistas en Acción. | Esta semana finalizou o prazo de 15 días naturais que o Concello de Santa Comba outorgou á empresa australiana 'Rafaella Resources' para que abandonase a chamada "Casa da Mina", "que viña ocupando ilegalmente desde 2019, sen calquera tipo de autorización e sen aboar calquera canon por este uso continuado", informa Ecoloxistas en Acción. O Concello deu este paso a instancias deste colectivo e logo de verificarse "a situación irregular, unha vez que o edificio mesmo consta como sede fiscal das empresas instrumentais da cotizada australiana, Rafaella Recursos España Capital S.L., Rafaella Recursos España Servicios S.L. e Galicia Tin & Tungsten S.L., todas elas administradas por Steven Turner". O edificio, que xa servira como oficinas nos anos 1960 e 1970 da Compañía Minera Santa Comba e da Compañía Minera Celta, encóntrase dentro dunha parcela da Comunidade de Montes Veciñais de Grixoa de Esternande e fora restaurado polo Concello entre 2002 e 2003 para usarse con fins sociais. "Agora, tanto o Concello como a comunidade de montes vense abocados a iniciar accións xudiciais contra os "okupas" australianos, que mesmo impediron o acceso dos comuneiros de Grixoa aos seus terrenos comunais", di a organización ambientalista. A mina de Varilongo foi abandonada en 1987 e a actual concesionaria fíxose coas concesións en 2015, estando paralizada desde entón. "A pesar de estar obrigada a declarar a caducidade das concesións e a obrigar a restaurar as labores abandonadas, a Xunta mantivo vixentes os permisos e agora prepárase para tramitar un novo proxecto mineiro a ceo aberto que convertería toda a zona nun inmenso cráter rodeado de montañas de residuos". Paraísos fiscais Rafaella Resources tamén se fixo coa titularidade de Tungsten San Finx, a firma que explota a mina homónima no concello de Lousame, até o de agora en mans da construtora española Sacyr. Con esta adquisición, a compañía australiana faise forte na Galiza, onde xa opera a mina de Varilongo, en Santa Comba, á que devolveu a actividade despois de 36 anos parada. Parte deses beneficios irían a parar a paraísos fiscais, xa que, como denuncian desde Ecoloxistas en Acción, as dúas empresas australianas que anunciaron a adquisición, Rafaella Resources e a súa filial Biscay Minerals, están controladas por Starboard Global Ltd, un conglomerado estabelecido nas Illas Virxes Británicas con oficinas en Hong Kong, "en ambos os casos paraísos fiscais con lexislación mercantil que impide a transparencia", apuntan desde o colectivo ecoloxista. Esta circunstancia failles temer que, con esta manobra de compravenda, Sacyr pretenda eludir as súas responsabilidades medioambientais, agora que se está a tramitar un proxecto de retirada de vertidos e outro de residuos mineiros nas presas abandonadas de San Finx que porían en risco a calidade das augas na ría de Muros e Noia. "As consecuencias multimillonarias de implicar o fechamento de bancos marisqueiros sería o peor pesadelo de Sacyr, que agora se quere desfacer do problema", indican desde Ecoloxistas en Acción. |
PRAZA_2445 | A reclamación da restauración dos dereitos sustraídos coma a consecución doutros novos posibilita máis doadamente a identificación cunha comunidade de desposuídos que a exclusiva e única referencia á clase traballadora. | A cidadanía continúa a ser, na actualidade, un vocábulo con potencialidade, con capacidade de encarnar arelas emancipatorias. Cunha longa tradición, que procede desde a antigüidade clásica, adopta na Ilustración e na Revolución Francesa a forma de ruptura coa condición de súbditos face á consecución da inclusión igualitaria nunha comunidade política. Dúas fasquías deben considerarse, xa que logo, na condición da cidadanía: a incorporación nunha comunidade e a atribución de dereitos. A primeira estabelece os lindeiros, que esencialmente son as fronteiras territoriais dos Estados, e dentro da que se desenvolve a segunda, é dicir, o exercicio e goce dos dereitos. Mais a propia ambigüidade do termo, a súa apropiación en beneficio da burguesía triunfante, a redución da súa titularidade a un ámbito limitado de dereitos fixeron e fan desconfiar da súa capacidade para representar os intereses das clases populares excluídas e explotadas no modelo de dominación do capital. Esta aparente dificultade de representar os intereses de clase fai que, ás veces, desde os discursos "ortodoxos" da esquerda se eluda ou se omita a súa reclamación ao estimala un elemento alleo incapaz de describir a situación e a necesidade dos grupos sociais máis desfavorecidos. Porén, de considerar a propia ambigüidade do seu alcance, ao non estar plenamente realizada nin formal nin sustancialmente, ábrese a posibilidade de ampliar e extender o seu ámbito de esixencia até espazos dificilmente asumibeis polo capital. Podemos comprobar que os dereitos económicos e sociais sempre ficaron ao marxe de seren considerados parte na distribución de beneficios e cargas, do mesmo xeito que se renunciou a considerar un estatus de cidadanía universal ao marxe das pertenzas estatais (o que se está a evidenciar actualmente co drama da inmigración ou dos refuxiados e a negativa da súa condición de cidadáns). Na situación presente de democracias devaluadas, tanto nos aspectos políticos coma nos sociais, que as oligarquías precisan para intensificar o dominio e o control sobre a forza de traballo, e que conleva tanto a expropiación de dereitos adquiridos como o medre da fenda entre os sectores privilexiados e a meirande parte da poboación, a reivindicación da condición da cidadanía pode ter unha capacidade mobilizadora poderosa. Sobre todo cando a conciencia de clase non agroma ou non se explicita por mor do efecto adormecedor da produción simbólica mediático-cultural. Así a reclamación da restauración dos dereitos sustraídos coma a consecución doutros novos posibilita máis doadamente a identificación cunha comunidade de desposuídos que a exclusiva e única referencia á clase traballadora. A adquisición e exercicio de dereitos económicos, sociais e culturais vaise percibindo xa coma condición para o desenvolvemento dos dereitos civís e políticos que enmarcan a cidadanía. Isto non significa renunciar ao concepto de clase social, nin a existencia de clases marcadamente antagónicas. Tampouco negar a necesaria e permanente revisión constante da estrutura de calses nun modo capitalista de acumulación flexíbel como o actual, senón apropiarse do concepto de cidadanía e estarricalo ao máximo para poñelo ao servizo, precisamente, das clases populares. Sen esquecer, alén do anterior, a loita solidaria a prol dun estatus de cidadanía universal fronte as fortificacións que procuran a fragmentación e a desunión entre pobos e individuos. Se desde a esquerda nos apropiamos da reivindicación da cidadanía, cando se enarbore a mesma se estará a demandar xustiza, igualdade e transformación social. Non temos que ter reticencias en empregar o termo xa que o mesmo pode ser ampliado a un alto nível e fornecido dun contido extenso. Así concebida, a pertenza cidadá, dificulta e insire contradicións nas concepcións da dereita liberal ou conservadora que non son quen de lle dar cumprida satisfación, ao se formular a mesma respondendo ás expectativas das amplas masas precarizadas que demandan a realización de políticas e medidas que revirtan o deterioro das condicións de existencia. Tamén a reclamación cidadá implica a superación da situación na que o conxunto da poboación só é concebida coma suxeitos pasivos privados de decisión sobre o seu presente e o seu futuro. É un concepto elástico e flexíbel, preciso de ser completado coma tantos outros e que permite, por esta razón, recuperar o seu uso sen incompatibilidades nen esquecementos dos instrumentos teóricos da análise marxista. |
NOS_30054 | A Comisión europea presiona o país heleno para frear a chegada de persoas refuxiadas mentres Suecia se prepara para deportar entre 60 e 80 mil. | O comisario europeo e vice-presidente da Comisión europea, o grego Valdis Dombrovskis, avanzou na cuarta feira (27 de xaneiro) algúns dos aspectos que compoñen o relatorio deste órgao de goberno a respeito do control de fronteiras exteriores da UE. Após a xuntanza decorrida entre @s responsábeis de Interior dos 26 Estados Membros da Unión na que solicitaron a aplicación do artigo 26 do espazo Schengen, a Comisión estuda un documento que aínda non foi feito público mais no que se estabelece un período de 3 meses para que Grecia corrixa as "innumerábeis fallas" que os seus socios europeos din detectar no cumprimento das políticas migratorias da UE. O relatorio foi elaborado a partir da peritaxe desenvolvida en novembro de 2015 por persoal comunitario na fronteira grega con Turquía e as dúas illas do Exeo (Lesbos e Kos) que constitúen a principal entrada de persoas refuxiadas no territorio da Unión. Incumprimentos na política migratoria, di Bruxelas "O proxecto do relatorio conclúe que Grecia neglixenciou seriamente as súas obrigas e que hai graves deficiencias nas fronteiras exteriores que deben ser ultrapasadas", dixo en comparecencia de imprensa Valdis Dombrovskis. "Sabemos que Grecia está baixo presión. Porén, os inspectores constataron que non foi montado un sistema para a identificación e o rexistro de inmigrantes irregulares, que as súas pegadas dixitais non están a ser inseridas no sistema e que os documentos de viaxe non están a ser sistematicamente verificados para confirmar a súa autenticidade ou para confirmar se constan nas bases de dados de seguridade", acrecentou. "Grecia neglixenciou seriamente as súas obrigas", din desde Bruxelas Neste senso, de se aprobar o documento --para o que cumprirá unha maioría cualificada da Comisión-- Grecia contará con tres meses para introducir as mudanzas exixidas polo executivo europeo. Entre elas, a constitución de mesas que rexistren e verifiquen as persoas que chegan ao seu territorio, a construción de centros de internamento para extranxeiros e a mellora das condicións dos que xa existen. Se isto non se cumprir, desde Bruxelas advirten que autorizarán os Estados membros a prolongar durante dous anos o control sobre as súas fronteiras o que, de facto, suporía a suspensión de Grecia do Acordo Schengen. Desde o goberno grego sinalan que se isto acontecer ficarían sós na xestión da maior crise migratoria desde a II Guerra Mundial. E é que en 2015 chegaron ás súas costas 850 mil persoas e só en xaneiro de 2016, 46 mil através das rotas no Mediterráneo. O ministro grego, Yannis Mouzalas, asegurou que o seu executivo está aberto "a todas as propostas dos seus parceiros" mais tamén cuestionou que até o de agora "non hai" ningunha riba da mesa. Aliás, asegurou que están a introducir melloras nos "hotspots" [puntos quentes] de chegada de refuxiad@s. En 2015 chegaron a Grecia 850 persoas deslocadas forzosamente. Só en xaneiro de 2016 através do Mediterráneo 46 mil Porén, as presións sobre Grecia non chegan só desde a UE. Desde as Nacións Unidas o alto comisionado para os refuxiados, Philippe Leclerc, urxiu organizar "os repatriamentos voluntarios, ou forzados, dos migrantes que non cumpren os requirimentos, para que o sistema de protección de refuxiados non sexa posto en causa". Deportacións en Suecia Algo que xa está a acontecer en Suecia. O goberno sueco que mantén controis interiores na súa fronteira con Dinamarca --cos que reduciu a chegada ao país de persoas refuxiadas-- avanzou que iniciarán a deportación de entre 60 e 80 mil persoas. Trátase de solicitantes de asilo --dun total de 163 mil en 2015-- aos que lles foi rexeitada. Suecia alugará voos comerciais para proceder ás deportacións. En total a metade das persoas que solicitaron asilo As deportacións están a desenvolverse na actualidade através de voos comerciais mais o executivo de coligazón (social-demócratas e Verdes) prevé alugar compañías aéreas para levalos a cabo ao se tratar de milleiros de persoas. Un proceso que podería prolongarse durante varios anos. Suecia é un dos Estados membros da UE máis críticos coa política migratoria e de control de fronteiras comunitaria. Trátase do territorio que máis solicitudes de asilo per cápita recibiu, xunto con Dinamarca, 163 mil nunha poboación total de menos de 10 millóns de habitantes. Segundo as autoridades gobernamentais foron aceptadas o 55% das mesmas. Aliás, nas últimas semanas o executivo informou da denuncia de casos de agresión sexual a mulleres que foron atribuídos a persoas solicitantes de refuxio, como aconteceu en Colonia e Hamburgo (Alemaña). Asemade, en Suecia unha traballadora dun centro de internamento para refuxiados foi asasinada durante unha briga entre refuxiados. |
NOS_11213 | Hoxe dá comezo a tempada de alto risco de incendios con alomenos 133 Concellos sen teren os seus plans de prevención aprobados. O persoal implicado na prevención e extinción coincide na necesidade estender os esforzos a todo o ano e, en consonancia con comunidades veciñais e expertas en xestión do territorio, inciden na necesidade de contar coa poboación na planificación. | Hoxe, 1 de xullo, dá comezo a campaña de alto risco de incendios. Faino cun conflito laboral aberto entre a Xunta da Galiza e mais o persoal do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) e cun mínimo de 133 Concellos sen os correspondentes e obrigatorios plans de prevención contra os incendios aprobados. As reclamacións do persoal, contactado por Nós Diario, non se limitan a reorganización dos dispositivos contra o lume ou das condicións do persoal, senón que abranguen o territorio no que realizan o seu labor, quen o habita e a normativa que rexe sobre el. Coma os incendios, din, a poboación das áreas rurais e mais os usos da terra mudaron. E cómpre unha lexislación que teña esta evolución en conta. Os grandes lumes Ao longo das tres décadas pasadas, os incendios que prenden na Galiza nos meses do verán diminuíron en tamaño mais aumentaron en intensidade. Cando Paulino Ferreira comezou a traballar como bombeiro forestal en 1994, os pequenos lumes, de menos dunha hectárea, ardían por miles. En 1995 contáronse 15.200 en todo o país. O enxeñeiro de montes Xabier Bruña engade que a finais daquela década, na área de Viana na que traballaba no equipo de extinción, apagaban até cincuenta lumes ao día. Na pasada década, a media anual situouse en 548, coa excepción das grandes vagas de 2006 e 2017, no que arderon 62.000 hectáreas. Moitos incendios orixinábanse a raíz das queimas agrarias."Tradicionalmente prendíase lume para obter pastos", aclara Ferreira. Porén, a orientación forestal do terreo gañou hectáreas co paso dos ano e hoxe o monte galego ocupa dous terzos do territorio da Galiza. En 2017, segundo datos da Consellaría de Medio Rural, o eucalipto estaba presente en 425.000 hectáreas, 180.000 máis das previstas na planificación da Xunta na década dos 90. Tras a vaga de incendios de 2017, a comisión parlamentaria para o estudo das políticas forestais e de prevención dos incendios solicitou a elaboración dunha folla de ruta por un comité de expertos, entre os que se contaba Xabier Bruña."O conselleiro de Medio Rural asegura que se guía polo ditame do Parlamento e mais polo noso traballo, mais en realidade fíxase no que lle interesa", lamenta Bruña. Unha das decisións que tomou José González tras a vaga de 2017 foi modificar a estrutura orgánica da consellaría, dividindo as áreas de xestión forestal e defensa do monte. Aquela escisión non supuxo a destitución, reclamada pola oposición, do até entón director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, que permaneceu á fronte da segunda área. Coa excepción do bipartito, desde 1996 Couto dirixe a política forestal galega. A que criticou duramente o Consello de Contas nun informe de 2013, no que salientou que as "accións preventivas e de defensa contra os incendios forestais absorben unha contía insignificativa de recursos públicos". A cadea de factores que explican os cambios no territorio e a maneira en que este arde é longa e abrangue desde o cambio climático até a planificación do territorio, pasando polas dificultades que afronta o sector primario, a falta dunha industria local de transformación do producido, o monocultivo de eucalipto e piñeiro, unha estrutura de propiedade fragmentada ou os conflitos veciñais. Fronte as múltiples e fondas raíces da problemática dos incendios, o propio persoal que os combate asegura que a Xunta continúa a focalizar a maior parte dos esforzos na punta do iceberg e nas temporadas de maior risco. As raíces das lapas Na súa tese de doutoramento, Bruña centrouse na necesidade da participación social para a planificación do territorio. "Non o podemos entender de maneira illada, debemos afrontar a súa xestión de forma transversal e non con parcelas nas que cada quen fai a súa parte", asegura. A doutora en Economía Aplicada e especialista en desenvolvemento rural, María do Mar Pérez Fra, explica que esa problemática esténdese ás políticas que rexen o solo e as propiedades privadas. "Na Galiza oriental o número de titulares da terra multiplica por dous, tres e até seis veces nalgún concello o seu número de habitantes. A decisión de uso dese territorio non depende de quen o habita, que moitas veces ten que asumir as consecuencias negativas do abandono das propiedades", di. A decisión de uso dese territorio non depende de quen o habita, expón Pérez Fra O Banco de Terras foi a solución achegada polo consellaría de Medio Rural do BNG no Goberno bipartido. "Non era nin moito menos revolucionaria, hai Estados como Francia que protexen as terras de cultivo con políticas similares", explica Pérez Fra. Durante a campaña de 2009, nalgúns mitins do PP repartíronse panfletos que alertaban contra esta proposta, asegurando aos propietarios que o Bipartito quería expropiar as súas terra e, tras a vitoria de Alberto Núñez Feixoo, a ferramenta ficou en desuso. |
NOS_53591 | O Museo de Pontevedra ofrece visitas guiadas virtuais nas segundas feiras | María Elvira Fernández López (A Coruña, 1912 - 2003), Maruxa, foi compañeira inseparábel de Luís Seoane até a morte deste en 1979, cando decide dedicarse a recuperar e agrupar o legado de Seoane nun proceso coroado en 1996 co nacemento da Fundación Luís Seoane na Coruña. Desde hoxe, o museo Euxenio Granell de Compostela acolle unha exposición dedicada a figura de Maruxa Seoane comisariada polo artista e profesor da arte Juan de la Colina. A mostra nace da vontade de renderlle homenaxe, visibilizando e recoñecendo o seu labor máis alá da visión da súa figura como 'muller de artista'. As dimensións de Maruxa Seoane emerxen nesta escolma de óleos, fotografías, obra gráfica e documentación diversa e varias testemuñas. Muller do seu tempo, o seu retrato é o dunha persoa cunha vocación de servizo á cultura galega partillada man a man con Luís Seoane, do que foi correctora de probas de todos os proxectos editoriais desde 1942, alén de axudalo noutros moitos ámbitos. A exposición inclúe ademais, nun espazo creado para a ocasión, un documental dirixido por Juan de la Colina, que ilustra e reflexiona acerca da figura de Maruxa Seoane. A porta fechada En Pontevedra, o Museo organiza unha serie de visitas guiadas virtuais a partir da vindeira semana. Baixo o título "A porta gechada", as expertas e expertos da institución farán de guías en vídeos partillados nas redes sociais cada segunda feira. Como destaca a Deputación de Pontevedra, é precisamente nese día cando o museo fecha ao público, que poderá seguir gozando do seu patrimonio desde os seus fogares. O Retablo de Santa María; Epílogo, de Eliseo Meifrén; Recollendo follas, de Manuel Colmeiro; Estela de Vilar de Sarria; Virxe nova e virxes vellas de Roberto González del Blanco, ou a colección Sargadelos centrarán as primeiras entregas desta nova sección. Nos pasados meses de confinamento, a institución afondou na súa oferta virtual. As sesións de contacontos ou O Museo en Familia foron algunhas delas, dirixidas neste caso á rapazada. |
NOS_39201 | O decreto emitido para o 8M de 2018 foi anulado nos tribunais. Porén, sinalan desde a CIG, a proposta para este ano establece máis servizos mínimos. | A proposta presentada pola Xunta para negociar os servizos mínimos para a folga de mulleres do 8M é "inasumíbel" para a CIG. A secretaria de Organización, Susana Méndez, lembra que o decreto de servizos mínimos para a folga do 8M de 2018 foi anulado polos tribunais. Por iso lle resulta "curioso" que desta volta se recollan mesmo maiores efectivos en sectores e categorías que, ademais, son esencialmente desenvolvidas por mulleres. Pon os exemplos de residencias de maiores ou centros de atención a dependentes. Méndez agarda que desta volta non se decreten uns mínimos tan "sobredimensionados" e non se faga publicando o decreto "a menos de 20 horas antes do comezo da folga", como ocorreu o ano pasado. A CIG denuncia ademais a pouca antelación coa que se remitiu a proposta da administración na que, en todo caso, reitera que se pretenden decretar uns servizos mínimos "fóra de lugar, excesivos e que parece que buscan impedir ás mulleres exercer o seu dereito de folga, cando menos nalgúns casos concretos". A central nacionalista incidiu en que só están chamadas á greve as mulleres e pediu que "aqueles servizos mínimos que teñan que ser decretados, sexan cubertos por homes sempre que sexa posíbel". |
PRAZA_3289 | O actual presidente da Xunta procura apañar todo o voto do centrodereita consciente da apertada loita duns comicios que chegan con liderados consolidados no PSdeG e BNG, pero cun espazo rupturista aínda dividido e por definir | "Ou nós ou o caos", advertía aquel cadriño do semanario Hermano Lobo nos anos 70. Alberto Núñez Feijóo volverá tirar dese argumento para as eleccións galegas do próximo 5 de abril. O actual presidente da Xunta adoita advertir que a única alternativa ao poder do PPdeG é un "tripartito ou cuadripartito" do PSdeG co BNG e o espazo de Podemos e as mareas. Fronte a todo iso, a súa "estabilidade".Agás sorpresa maiúscula, este martes Feijóo ratificará que opta a un cuarto mandato como presidente da Xunta. Farao nunha xunta directiva do PP galego convocada de forma extraordinaria no mesmo hotel compostelán onde, en xullo de 2018, anunciou que renunciaba a dar a batalla para suceder a Mariano Rajoy.Feijóo volverá tirar da "estabilidade" como 'leit motiv' da súa campaña, chamando a unir todo o voto do centrodereita na súa figuraFeijóo chega á nova contenda electoral en Galicia poucos días despois de que os catro presidentes provinciais do partido volvesen erixilo en figura única e indiscutible. O único que pode aspirar a repetir o catro maiorías absolutas consecutivas de Manuel Fraga. E tamén o único que podería frear ás forzas progresistas e ao mesmo tempo, pararlle os pés a Vox. A entrada no Parlamento da extrema dereita é considerada como improbable. Pero precisamente tamén por iso é un risco para os populares: o límite do 5% imposto por Fraga nos anos 90 podería deixar a Vox fóra da Cámara, pero restar deputados chave aos de Feijóo.Para xustificar o adianto electoral escasas semanas despois de que o propio PP galego afirmase a súa intención de esgotar a lexislatura, Feijóo tamén bota man da dogma da estabilidade. "Nin os galegos nin a Xunta somos responsables desta situación de inestabilidade", proclamou. Aí xogará as súas cartas, chamando ao voto útil, á concentración de apoios de todo o centrodereita. E tamén xogando á confrontación co Goberno central do PSOE e Unidas Podemos. A estratexia que tan bos resultados lle dera en tempos de Zapatero. Todo, marcando perfil propio e sen excesiva presenza dos referentes estatais do partido que, paradoxalmente, xogarán gran parte da súa supervivencia política en Galicia.O PSdeG confía en ampliar o 'efecto Sánchez'Para o PSdeG, a presenza de Pedro Sánchez na Moncloa é un impulso. Na dirección que encabeza Gonzalo Caballero, apoio en Galicia do actual presidente do Goberno de España nos seus momentos máis duros dentro do partido, ven claro que desde a madrileña rúa de Ferraz hai un aparello á disposición do seu candidato. Como aquela vez, hai década e media, en que Zapatero dixo a Emilio Pérez Touriño aquilo de "esta vez vai en serio".Caballero apela aos resultados dos sucesivos comicios celebrados en 2019, cando o PSdeG logrou por primeira vez adiantar ao PP nas urnas, para afirmar que os socialistas están "preparados para darlle a Galicia o cambio de goberno que necesita". Tras coñecer o adianto, o aspirante socialista á Presidencia da Xunta asegurou que a decisión de Feijóo non é máis que outra evidencia de "que a súa palabra non vale nada"."Estamos preparados para darlle a Galicia o cambio de goberno que necesita", di Gonzalo Caballero (PSdeG)Liberado da habitual conflitividade interna -agás nalgúns puntos a nivel local- e asentado como líder do PSdeG, o secretario xeral dos socialistas non dubida en tirar de Pedro Sánchez. Tampouco en fiar un discurso homoxéneo coas forzas que terían que ser as súas socias nun eventual Goberno progresista en temas clave como a sanidade ou a educación. Saben, todos, que non hai alternativa. E aprenderon dunha dura negociación para o Goberno do Estado que rematou cun Executivo de coalición e, polo momento, cunha voz única. Ten a experiencia o PSOE do acontecido no Estado e do ocorrido tamén co goberno bipartito de hai máis dunha década. Dentro e fóra. Cunha diferenza en ambos casos: agora son tres patas. Como mínimo. Un BNG "á alza" e en paz internaO BNG sería, a priori, socio imprescindible dese eventual Goberno alternativo. A formación que encabeza Ana Pontón chegará ao 5A en o que, posiblemente, é o seu mellor momento na última década. Reforzado polo acordo da investidura co PSOE a pesar de contar cun único deputado no Congreso, no Bloque vense "á alza" despois de anos de división e escisións dan por definitivamente afastados. "Traballarei, con máis ilusión se cabe, para que a miña filla, e os nenos e nenas deste país vivan nunha Galiza mellor", di Ana Pontón (BNG)A Pontón, líder e candidata indiscutible, o adianto electoral obrigaraa a reducir a súa baixa maternal, admitiu."Parece que non poderei estar tanto tempo de permiso por maternidade como prevera. Pero traballarei, con máis ilusión se cabe, para que a miña filla, e os nenos e nenas deste país vivan nunha Galiza mellor", dixo a líder do Bloque nas súas redes sociais tras coñecer o adianto electoral.Nelas, criticou que sexa o lehendakari Urkullu quen "marque a axenda de Galicia", o que amosaría a "irrelevancia de Feijóo". Nos mesmos termos se expresou a vicevoceira nacionalista no Parlamento, Olalla Rodil, que asegura que o 5 de abril "os galegos e galegas poñerán fin á década de desfeita dun Feijóo que deixa unha Galicia peor que a que atopou hai dez anos". As escasas enquisas dispoñibles aseguran que o Bloque seguirá na súa remontada e que podería recuperar a terceira posición, superando ao espazo de Podemos, EU e as mareas. Ese espazo, que foi segunda forza nas últimas eleccións autonómicas baixo as siglas de En Marea, sufriu todo tipo de avatares durante a lexislatura e chega ás eleccións aínda esfarelado e rodeado de incógnitas.Un rupturismo sen candidatura e pendente de confluírCo adianto electoral, Feijóo colle ao espazo rupturista dividido e sen liderado claro para as eleccións de dentro de apenas cincuenta días. Os socios de Unidas Podemos, unidos baixo a marca de Galicia en Común, manteñen nas últimas semanas contactos con Anova, a formación liderada por Xosé Manuel Beiras, e tamén con referentes das mareas municipais como a coruñesa Marea Atlántica ou a santiaguesa Compostela Aberta.Os socios de Galicia en Común, Anova ou as mareas manteñen contactos a múltiplas bandas; fontes de todas as partes admiten polo momento a dificultade dun acordoAs chamadas á confluencia sucédense, pero fontes de todas as partes admiten polo momento a dificultade dun acordo. Nomes como os dos ex-alcaldes Martiño Noriega e Xulio Ferreiro ou o do secretario xeral de Podemos Galicia e deputado no Congreso, Antón Gómez-Reino, están sobre a mesa dunhas conversas na que tamén soan persoas independentes, alleas ata agora á polític activa. Neses contacto non faltan os receos desde organizativos ata ideolóxicos e onde ninguén, polo menos de momento, se atreve a afirmar que non vaia a haber dúas candidaturas diferentes do que, a priori, é un mesmo espazo político.No taboleiro hai aínda unha peza máis, a En Marea de Luís Villares, antigo candidato de consenso que terminou con cinco escanos no grupo mixto do Parlamento. Villares amosa disposición a presentarse na que sería unha cuarta opción pola esquerda. Polo momento, celebra que a cidadanía "teña a palabra" e, entre apelacións a chegar a acordos, asegura que a súa decisión chegará "en breve". De como se reorganice o espazo, e da rapidez que teña para facelo e erguer un líder, dependerá moito un eventual cambio n aXuntaAnte unha expectativa apertada, a maioría e o Goberno poden xogarse nun puñado de votos. No PP saben que a irrupción de Vox podería en grave perigo o seu obxectivo. Na esquerda coñecen ben as consecuencias da fragmentación cun sistema electoral, o galego, no que o limiar para conseguir representación sobe ao 5% por unha decisión de Fraga que nunca foi derrogada. "É igual, o caos tamén somos nós", dicía a viñeta de Hermano Lobo. |
NOS_38409 | A empresa di que é unha petición dalgúns países que "queren que estea lista canto antes". | O CEO de Pfizer, Albert Bourla, afirmou esta segunda feira que a súa empresa podería ter lista en marzo unha vacina contra a Covid-19 adaptada á variante ómicron, unha vez que xa comezou a fabricar as doses. "Esta vacina estará lista en marzo. Xa estamos a empezar a fabricar algunhas destas unidades", anunciou Bourla en declaracións á televisión estadounidense CNBC. O máximo dirixente de Pfizer detallou que esta futura vacina, que tamén se dirixiría ás outras variantes do virus que están a circular, é unha petición dalgúns países que "queren que estea lista canto antes". Bourla recoñeceu que non está claro se será necesaria unha cuarta dose, mais anunciou que Pfizer realizará experimentos para determinar se é necesaria "A esperanza é que consigamos algo que ofreza unha protección moito mellor, sobre todo contra as infeccións, porque a protección contra as hospitalizacións e a enfermidade grave é razoábel agora mesmo, coas vacinas actuais, sempre que se aplique a terceira dose", resaltou. Bourla recoñeceu que non está claro se será necesaria unha cuarta dose, mais anunciou que Pfizer realizará experimentos para determinar se é necesaria. Pola súa banda, o director xeral de Moderna, Stéphane Bancel, tamén lembrou que a súa compañía está a traballar nunha dose de reforzo que podería chegar no outono e que entrará pronto en ensaios clínicos. "Estamos a discutir con líderes de saúde pública de todo o mundo para decidir cal cremos que é a mellor estratexia para o posible reforzo para o outono de 2022. Cremos que conterá ómicron", comentou Bancel tamén á CNBC. |
NOS_28780 | O Goberno español deu a coñecer no Consello de Ministros as reformas do Real Decreto polo que se adoptan determinadas medidas urxentes que buscan garantir uns prezos xustos a produtoras e produtores no agro. | O responsábel do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, presentou en rolda de prensa as principais novidades da reforma da Lei da Cadea Alimentaria. O documento introduce, segundo o ministro, as reivindicacións do sector na procura duns "prezos xustos". A reforma aprobada esta pasada terza feira introduce o custo de produción como elemento obrigatorio nas relacións contractuais para estabelecer os contratos agrarios. Incorpórase, polo tanto, unha cláusula expresa de que o prezo pactado entre a produtora ou produtor e a súa primeira compradora ou comprador, cubre os custos de produción. Outra das novidades é a prohibición de destruír valor no proceso da mesma cadea. Polo tanto cada operadora deberá pagar á inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custo efectivo da produción. Tamén se acorda que as sancións graves ou moi graves, como a propia destrución de valor da cadea alimentaria, que sexan denunciadas en vía administrativa ou xudicial, daranse a coñecer. Por último exixe que non se banalicen os produtos da cadea alimentaria nas promocións. Desconfianza na Galiza As organizacións agrarias na Galiza recibiron o anuncio destas medidas con moita cautela até poder estudar o texto íntegro na nova lei. Unións Agrarias (UUAA), o Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Federación Rural Galega (Fruga) coinciden en sinalar que botan en falta máis concreción en explicar como se porán en práctica estas medidas. "Terá detractores na industria e no Tribunal da Defensa da Competencia", asegura o secretario xeral de UUAA, Roberto García, a Nós Diario. Para esta organización "as grandes empresas quererán librarse e a resposta non pode vir por parte da xustiza ordinaria que é lenta e pode tardar anos en darnos a razón cando nós traballamos con produtos perecedoiros". Desde o SLG e Fruga o anuncio lembra outros que se fixeron e que non solucionaron o problema. "Soa mal, falan de que non se venda por baixo do custo de produción como un acordo entre a industria e o produtor", explica Isabel Vilalba do SLG a Nós Diario, "e non hai negociación se tes a un pequeno produtor como os que temos aquí diante dunha grande industria", engade. Para Elías Somoza, de Fruga, "todo o que sexa tentar frear os abusos da distribución e da industria parécenos positivo" mais "o que hai que facer é un marco de relacións interprofesionais no cal se permita unha negociación deses prezos", asegura a Nós Diario. Lembra os atrancos do propio PP na Xunta da Galiza cando non se querían tratar os prezos para non entrar en disputa con Competencia. A primeira proba da lei na Galiza será a negociación que mantén estes días a Unión Leiteira Galega (Ulega). "Recibiu ofertas de 29,5 céntimos, lonxe dos 32,5 do custe que marca o ministerio", asegura Roberto García. |
NOS_16256 | Canda o catedrático de Didáctica e Ordenación escolar da Universidade da Coruña, Jurjo Torres, analizamos a contrarreforma educativa aprobada polo Goberno español cunha meta clara: "Acabar co ensino público" | O profesor Jurjo Torres (UDC) entende a educación como unha parte fundamental dun proxecto político de transformación da sociedade. Desde este prisma debullamos, pois, a chamada Lei orgánica de mellora da calidade educativa, LOMCE, un compendio de artigos cuxo denominador común pasa por fomentar a competitividade, fornecer o mercado de man de obra barata, evanxelizar e españolizar todo o que non é español. Esta é a sétima reforma educativa que se realiza no Estado español desde 1975. Estaban todas orientadas a introducir melloras ou había detrás algún outro interese? Orientadas a mellorar o sistema educativo estaban, si, mais en función de quen estivera gobernando. Eu estou convencido de que tamén agora o PP quere mellorar mais, que entende por mellorar? Que entendía UCD? E o PSOE? E o réxime de Franco? Planificar un sistema educativo implica influír en como queres que sexa a sociedade polo que a cuestión está en que entendo eu que é unha boa sociedade. Deberase partir sempre dunha análise das debilidades. "A LOMCE non ten xustificación" E pártese? Cal é a xustificación da LOMCE? A LOMCE non ten xustificación. Só se achegaron o que eles denominan "comparacións internacionais" que fai a OCDE, o informe Pisa. Porén, esa é unha organización que ten uns intereses moi concretos: promover o desenvolvemento económico. Non se persegue o desenvolvemento integral da persoa. As materias que poderían axudar a conquerir tal obxectivo vanse varrendo do currículo: Educación para a Cidadanía desaparece; Ética muda de nome e pasa a ser optativa fronte a Relixión; e Filosofía é optativa en todos os niveis agás no bacharelato. En que momento o alumno vai aprender que é a democracia ou que é a igualdade? E agora a última proba de Pisa que nos introduciron: a Educación Financeira. Máis unha chiscadela a un modelo neoliberal que se nos presenta como único? Efectivamente. Se Margaret Thatcher funcionara ben nos últimos meses tería felicitado a Wert porque esta é a lei que ela gostaría de ter aplicado. Adiantáronselle. É a lei que pretende axustar o sistema educativo ao modelo de sociedade que o PP pretende. Non vai formar cidadanía, senón personalidades neoliberais, porque non fai as persoas conscientes de que vivimos nunha sociedade e de que todos somos interdependentes. Un cidadán neoliberal é un empresario de si propio, alguén que olla como lle pode sacar rendabilidade no mercado a todo o que fai. O primeiro borrador da LOMCE arrincaba falando de competitividade. Na medida en que se foi protestando retiraron esa introdución e acrecentaron vinte e pico páxinas con palabras bonitas: "alumnos no centro", "persoas autónomas, críticas e con pensamento propio". Que pasa co articulado? Que quedou como estaba. Retíranse as materias que teñen a ver co mundo das Humanidades, da Filosofía e das Ciencias Sociais para dar peso á Relixión, que non forma persoas autónomas, senón persoas dogmáticas. Como van crear pensamento crítico se din que van eliminar do currículo os "temas conflitivos"? Preténdese desdebuxar a realidade, convencer de que non existen outras linguas distintas do castelán, dunha maioría ultrarrelixiosa e conservadora, de que non hai desigualdades sociais? As desigualdades sociais vai ser moi difícil velas cando na escola convivan só os fillos das familias de ben. A pobreza estará aí, mais será lonxe, nalgún país africano, e o sistema educativo non vai ensinar a entender por que túa nai ou teu pai foron despedidos do emprego. Pisa lévanos cara ás materias onde esa realidade non existe. Dinnos que temos que comer para estar sans, mais non se analiza por que hai uns señores empeñados en envelenar tales alimentos para obter un rendemento económico, poño por caso. "Non vai formar cidadanía, senón personalidades neoliberais, empresarios de si propios" A educación debe ensinar por que a realidade é como é, non presentar só uns contidos para pasar de curso. Porén, hai un medo terríbel a que o alumnado entre en contacto con coñecementos que contradín verdades oficiais e van evitalo colocando até avaliacións externas para que aquel profesorado que se rebele non poida ensinar outra cousa. Sobre o papel está moi ben pensado. Agardo que na práctica lles estoure na cara. É unha lei sexista? Totalmente. O articulado deixa claro o apoio aos colexios que separen as nenas dos nenos. E Mates podo aprendelas eu canda outros homes e non pasaría nada. O problema é que a educación ten que ir máis aló. Cando vou entender eu como son as mulleres, como pensan, como senten, se me rodeo só de homes? Con todo, a explicación éche moito máis cutre: a Igrexa, os centros do Opus Dei e dos Legionarios de Cristo. Para eles os dez mandamentos só se encerran nun, o sexo, e pensan que se xuntan rapazas e rapaces aquilo podería converterse nunha orxía diaria. Por suposto non contemplan máis realidade que a heterosexual. Nin contemplan a educación afectivo-sexual. Iso xa non existe hoxe, nin na formación do profesorado. Foi desaparecendo paulatinamente nos últimos 20 anos. En Bioloxía imaxino que seguirán a explicar como vai o da reprodución, e até aí. E despois posiciónanse contra o aborto... hai unha lagoa moi forte no sistema educativo en todos os temas que controla a Igrexa católica. Cando eu estudaba a maior taxa de abandono escolar estaba entre a poboación cigana. Ouvícheslle falar a Wert da realidade estranxeira algunha vez? Pois a realidade cigana non a nomea tampouco. Estamos moi lonxe dunha mínima dignidade neste sentido. Xa che digo, é a lei que querería Margaret Thatcher. E xa dicía ela "ti preocúpate dos 2/3, que hai 1/3 que é irrecuperábel". Os informes de pobreza non os le o Ministerio, por iso non sabe que moitos destes rapaces a única comida saudábel que facían no día era a do comedor escolar. "Hai unha lagoa moi forte no sistema educativo en todos os temas que controla a Igrexa católica" Ese 1/3 de "irrecuperábeis" son tamén @s fill@s d@s obreir@s? Das clases traballadoras, da poboación inmigrante pobre, das familias ciganas e, na Galiza, do rural. Non hai unha política que permita ver a realidade que temos. A lei está feita por xente de Madrid que pensa que todo o mundo vive en grandes núcleos de poboación e para o resto só contempla recortes. A educación de 0 a 3 xa non existe; é asistencialismo. Existe para os seus fillos, mais non para o resto. E a realidade plurinacional do Estado, onde queda? Non saben o que é. Os idiomas e as culturas preséntanos como unha carga máis que terán que aturar os alumnos desas comunidades. Non houbo nunca unha lei educativa que asuma que somos un Estado plurinacional e a proba é que un rapaz de Madrid non pode estudar catalán ou galego. Con todo, a mensaxe que lanzan é a de que en Madrid poden dedicarlle máis tempo a aprender inglés porque non teñen outras cargas, como unha lingua propia. Os contidos de Historia vai ditalos Wert, o mesmo que dixo que había que reespañolizar. Toda a lei é unha mensaxe de como queremos que sexa a sociedade no futuro. E a xente votará PP, claro. Que vai votar? Neste país só existen dúas cousas: PP e PSOE. Despois de todo o que vimos de falar, que lle achega a LOMCE ao ensino público? A meta da LOMCE é acabar co ensino público. A curto prazo que quede só para os sectores máis desfavorecidos e a medio prazo que desapareza. Ofrecerán datos orientados a que o ensino público quede peor. "Non houbo nunca unha lei educativa que asuma que somos un Estado plurinacional" Queren desprestixialo? Iso é. Os centros van ser analizados polos resultados do alumnado, non por como chegaron ou de que contorna social veñen. Póñoche un exemplo que uso moito: nunha carreira de cen metros lisos para coñecer o mellor velocista comprobas que todos saen do mesmo punto ao mesmo tempo. Do contrario, xa sabes que gañará o que parta da posición máis ventaxosa. O que buscan é ensinarlle á poboación que o ensino público é malo para que acaben botándose ás rúas para exixir que se pechen escolas públicas e se abran máis concertadas. |
PRAZA_1549 | Cómpre recuperar o dominio do público para impulsar outras políticas en beneficio da maioría social. É urxente restaurar o control dos orzamentos para decidir como se recada e para que se emprega o recadado. É necesario controlar o BOE para publicar leis favorables ao pobo. | Hai un principio xurídico, de ampla aceptación entre os defensores dos Dereitos Humanos, que prescribe a prohibición do retroceso social. Un libro de Christian Courtis (Ni un paso atrás. La prohibición de regresividad en materia de derechos sociales) recolle unha abondosa documentación sobre esta materia. Entenden os xuristas que as sociedades avanzan cara adiante e que os dereitos e conquistas sociais deben considerarse irreversibles (o voto, a protección social, a educación, a sanidade, a xubilación, etc). Por esa razón os gobernantes deberían ter como obriga principal da súa actuación a continuidade e mellora destas conquistas colectivas. Esta teoría defende que os bos resultados macroeconómicos deixan sentir os seus efectos nos estratos máis acomodados para, posteriormente, ir derramándose ao resto da sociedade Mais non é así. Os actuais gobernantes, imbuídos pola ideoloxía ultraliberal, son defensores da chamada "teoría do derramo". Esta teoría (presentada como unha verdade científica cando non é máis que un cruel enunciado ideolóxico) defende que os bos resultados macroeconómicos deixan sentir os seus efectos nos estratos máis acomodados para, posteriormente, ir derramándose ao resto da sociedade. A experiencia non confirma este aserto; en realidade o vaso non acaba nunca de encher e aínda menos de derramar o seu líquido. En Hispanoamérica, nos anos oitenta e noventa, enriquecéronse os ricos, pero os pobres quedaron instalados na pobreza. Agora, no sur de Europa, como consecuencia da crise económica, medraron de maneira obscena as grandes fortunas mentres hai unha crecente porcentaxe da poboación ao borde da miseria. Podemos recordar a Emilio Botín, poucos días antes da súa morte, anunciando enfático: "Nos entra dinero, nos llega dinero por todas partes". Mais este enriquecemento, sen a intervención política, non se transforma automaticamente en desenvolvemento social. A situación que vivimos nos últimos dez anos en España (os recortes, a restrición de dereitos, a perda de protección social, o desmantelamento da sanidade e da educación,a suspensión do dereito á dependencia, etc.) non é consecuencia da crise nin da "herdanza recibida". É o froito de decisións políticas promovidas desde instancias internacionais (FMI, BCE) e aplicadas con crueldade polos gobernantes do Partido Popular que fan recaer as consecuencias da crise sobre as clases máis desfavorecidas e vulnerables, protexendo e mellorando, mentres tanto, os intereses dos máis ricos e poderosos. Camiñamos así cara un abismo social; lévannos, sen que lles trema o pulso, cara a un novo mundo feudal (como anunciou Antón Losada nun libro recente). Están procedendo a unha expropiación programada de dereitos que críamos consolidados e devolven a sociedade a unha situación preconstitucional, coa xustiza transformada en caridade e os dereitos convertidos en beneficencia. Lexislou, desde o acceso ao poder en novembro de 2011, mediante Reais Decretos Leis (RDL), que van do Consello de Ministros ao BOE, sen pasar polo Parlamento Para levar a cabo esta política regresiva o PP empregou, de xeito implacable, o rodillo parlamentario. Lexislou, desde o acceso ao poder en novembro de 2011, mediante Reais Decretos Leis (RDL), que van do Consello de Ministros ao BOE, sen pasar polo Parlamento. O artigo 86 da Constitución di que esta fórmula só debe empregarse "en casos de extraordinaria e urxente necesidade". Esta ferramenta lexislativa tan poderosa (o Goberno lexisla directamente sen debate nin emendas no Congreso), foi utilizada de maneira compulsiva polo PP. En 2012 publicou un total de 26 RDL: un auténtico récord. Agora, sen rematar a lexislatura, anda preto dos oitenta. Trátase, con toda evidencia, dun fraude democrático, dunha burla ao Parlamento e á propia cidadanía. Este foi o procedemento utilizado para impor o RDL 16/2012 (asinado polo rei cazador de elefantes) que, con todo cinismo, din que vai dirixido a garantir a sustentabilidade do sistema sanitario cando, en realidade, trátase dun atentado frontal contra o mesmo (suprimiu o dereito á saúde de todos os cidadáns e recuperou a figura do "asegurado", provocou a exclusión sanitaria dun millón de persoas, impuxo copagos abusivos e retirou da cobertura sanitaria máis de 400 fármacos). Xa o contei noutra ocasión, pero cómpre lembrar a cronoloxía. Esta lei foi publicada en abril de 2012, aos tres meses de tomar posesión o goberno de Mariano Rajoy. Non é posible elaborar unha lei tan complexa en tan pouco tempo. Así pois, este texto xa estaba escrito cando, na campaña electoral, prometían o contrario. Trátase dun engano programado, unha mentira colectiva coa que defraudan, sobre todo, aos seus propios votantes, que lle deron a confianza para aplicar outras medidas (as que prometían) ben distintas das que levaban escritas na súa "axenda oculta". Cómpre recuperar o dominio do público para impulsar outras políticas en beneficio da maioría social. É urxente restaurar o control dos orzamentos para decidir como se recada e para que se emprega o recadado Cómpre recuperar o dominio do público para impulsar outras políticas en beneficio da maioría social. É urxente restaurar o control dos orzamentos para decidir como se recada e para que se emprega o recadado. É necesario controlar o BOE para publicar leis favorables ao pobo. No mes de marzo a organización Médicos del Mundo presentou no Parlamento de Madrid unha proposta para derogar este RDL como primeira medida en materia sanitaria cando haxa un cambio de goberno. Asinaron todos os grupos políticos agás o PP e Ciudadanos. Xa sabemos con quen non se pode contar. |
NOS_16231 | Cheché Real afirma que as condicións laborais no sector "están a cambiar a pasos axigantados" pola "necesidade de buscar xente". | A hostalaría galega afirma que, despois dun verán no que "se aguantou ben", haberá unha redución severa de ingresos no último trimestre do ano. Ese é a porcentaxe que manexa o presidente de Hostalaría da Galiza, Cheché Real, que apunta á "suba dos carburantes e da enerxía" como elementos que provocan esta caída na facturación. "Agora mesmo a nivel estatal e europeo o medo que temos é que non vai haber os mesmos ingresos que houbo no verán e na primavera, e os gastos van ser os mesmos", sentencia. Aliás, Real sinalou que "os gastos do estabelecemento en canto a enerxía van ser os mesmos, pero os ingresos van baixar da orde de até 50 ou 60%". "Isto vai ser moi difícil de manter e de ter unha estabilidade empresarial", alerta. A hostalaría compostelá recea da masificación: "Non toda vive do turismo" Neste senso, Cheché Real insiste en que "se a suba da enerxía foi de 300%", a hostalaría "non pode repercutila nas cartas nin nos prezos das bebidas". Con todo, si recoñece que houbo subas de prezos, pero "moi pequenas". "Creo que a suba vai ser un feito xeneralizado entre outubro e novembro, pero vai ser xeneralizado porque se non vai ser imposíbel manter o negocio", concreta. A respecto da campaña de verán, explica que houbo "moita xente", pero que "non gastou da mesma maneira que noutros anos". "Nós pensamos que agora, coa chegada do outono e o inverno, vai ser un último trimestre do ano complicado. E 2023, cunha carestía importante para os negocios e a sociedade", remarca. O poder adquisitivo dos traballadores da hostalaría caeu 14,4% de 2008 a 2020 Sobre a falta de profesionais, Real asegura que non é un "problema" que só afecte a hostalaría, "senón tamén outros sectores", mais puntualiza que "as condicións no sector están a cambiar a pasos axigantados" porque, prosegue, "métese a zoca en moitas ocasións, con salarios baixos e horarios", mais estas circunstancias están a cambiar "debido á necesidade do sector de buscar xente". |
NOS_41520 | A imaxe de Roberto Vidal Bolaño como pano de fundo. A escenografía de Criaturas, de Teatro do Aquí, sobre o escenario. A Academia celebrou a sesión extraordinaria do Día das Letras Galegas co plenario reunido no Teatro Principal de Santiago. O primeiro presidido por Xesús Alonso Montero. Foi a meiodía, a mesma hora que a manifetación de Queremos Galego saia da Alameda e pouco antes de que se impedira a entrada á Rúa Nova na que se celebraba coa asistencia do presidente da Xunta. | O día principal do ano no que se celebra a Roberto Vidal Bolaño lembrarase tamén por algunhas razóns alleas á inmensa figura do home de chapeu e nariz de pallaso. Ademais da sombra longa de Rosalía de Castro coa que compartiu o ano cultural ao coincidir co 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, na sesión plenaria extraordinaria que a Academia lle tributa cada ano a quen ela mesma elixe para homenaxear no Día das Letras Galegas pairaba a recente crise da institución. Na imaxe, unha nova executiva encabezada por Xesús Alonso Montero presidía por vez primeira a sesión. O presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo ocupou o lugar de honra no escenario, mentres nas butacas convivían, familia, veciños e amigos de Vidal Bolaño con cargos institucionais como o Conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, o Secretario Xeral, Anxo Lourenzo, a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo ou o alcalde de Santigo, Anxo Currás. O secretario en funcións, o lingüísta Xosé Luís Regueira, foi o encargado de ler a acta da sesión ordinaria na que Roberto Vidal Bolañao fora nomeado autor do Día das Letras Galegas 2013. Será posibelmente o último acto de Regueira como secretario e puña á vista que Roberto Vidal Bolaño fora elixido noutro tempo, no presidido por Xosé Luís Méndez Ferrín, ausente do acto. Como ausentes foron máis da metade dos académicos e académicas, que non asistiron á sesión extraordinaria nun dos días máis relevantes da axenda académica. Apenas dezaoito membros do plenario ocupaban o escenario presidido por unha imaxe en branco e negro de Vidal Bolaño. Entre eles, Xosé Luís Franco Grande que volve neste primeiro acto da nova executiva á actividade da Academia despois dunha longa ausencia. Nesta súa primeira sesión como presidente, a Alonso Montero tocoulle pechar a sesión, nunha intervención na que defendeu a voz crítica dos intelecutais, evocando o compromiso de Roberto Vidal Bolaño, xa que ao seu ver "se non son críticos non son intelectuais".. "Hai que apoiar a cultura, o teatro, hai que apoiar sobre todo as voces críticas porque vostede, como nós, somos vítimas do mercado" dixo Alonso Montero dirixíndose a Alberto Núñez Feijóo que tiña a súa esquerda. "E ti dirás, a que vén todo isto?" Nas intervencións, a ferida parecía estar curada. Margarita Ledo, da executiva actual, e Euloxio Ruibal e Francisco Fernández Rei da anterior, foron os encargados dos discursos arredor de Vidal Bolaño. Amigos os tres do autor e director teatral, fixeron un percorrido pola traxectoria e polo perfil persoal do homenaxeado. "E ti dirás, a que vén todo isto?" comezou Margarita Ledo para lembrar aquel home que dicía "cousas certas" que lembra entrando nas redaccións composteláns de EL Ideal Gallego e A Nosa Terra para traer textos ou levar historias, como a do porco que convivía cun home, que Margarita recibira de Manuel María e Roberto convertera en "Cochos". "Realismo dos efectos, realismo a ras do chan" dixo Ledo no seu discurso polo que agromou tamén o debate sobre o estado das artes escénicas. Outro dos elementos que non quedou alleo ao ano no que se celebra o principal nome do teatro contemporáneo. Tamén home de teatro, amigo e compañeiro de Roberto Vidal Bolaño, Euloxio Ruibal percorreu a obra do autor a través dos seus escenarios compostelán. A cidade como espazo dramático do autor de "As actas escuras" volveu de novo ao Teatro Principal da capital, no que tantas veces representou a súa obra e símbolo agora do marco no que se insire a traxectoria de quen creou o teatro profesional galego. O académico Francisco Fernández Rei comezou evocando a súa figura polas rúas da cidade e o seu enterro no que alguén deitou sobre o cadaleito dun nariz vermello e o libro Rastros. Fernández Rei fixo relación dos premios Roberto Vidal Bolaño que convocan as Redes Escarlata ás que pertence desde hai dez anos, algúns deles, segundo dixo, poderían ser personaxes da obra do autor, todas proposts de forza reivindicativa, como o máis recente concedido ao blog "De volta para Loureda" que reclama dereitos para os presos independentistas galegos.O académico perfilou unha intervención arredor da lingua da obra de Vidal Bolaño a través das súas obras. Case dúas horas dun longo acto cunha carga académica para un publico que asistiu ao único plenario aberto da institución, fóra dos ingresos de novos membros, que sae do salón do edificio da coruñesa rúa Tabernas. No remate, aínda os milleiros de manifestantes escoitaban a Carlos Callón na Quintana, a poucos metros do Teatro Principal no que, a mesma hora da manifestación, a Academia tiña o seu acto solemne e institucional. Darío Xohán Cabana, Ramón Villares, Manuel González, Salvador García Bodaño, Xosé Neira Vilas, Vítor Freixanes, Luz Pozo, Euloxio Ruibal, Francisco Fernández Rei, Ferro Ruibal, Díaz Fierros, Ramón Lourenzo, Franco Grande, Bernardino Graña, Xosé Luis Regueira ademais de Margarita Ledo, Rosario Alvarez e o propio Xesús Alonso Montero, por vez primeira presidindo un plenario. Xustificou o presidente a ausencia de Andrés Torres Queiruga, en Italia, e Henrique Monteagudo, que se atopa en Bos Aires, razón pola que segundo o regulamento, foi o académico Xosé Luis Regueira -anterior secretario- o encargado de ler a acta na que se designou a Roberto Vidal Bolaño como homenaxeado para o Día das Letras Galegas do 2013. |
QUEPASA_187 | O Concelo traballa para mellorar o servizo de madrugadores durante o curso escolar | Uns 60 nen@s de entre 3 e 12 anos (e sobre todo as súas familias), repartidos en 4 grupos, disfrutan diariamente este verán dos campamentos da Aula Lúdica da Laracha. Este servizo de conciliación da vida persoal, laboral e familiar é gratuíto para os beneficiarios, e funciona dende o 1 de xullo con horario de 9:0h a 14:00h. Durante ese tempo, mentres as familias poden traballar, a rapazada realiza diversas actividades deportivas, culturais, educativas e recreativas adaptadas ás súas idades. Durante o verán empréganse as instalacións do CEIP Otero Pedrayo, que ofrecen unha maior comodidade ao dispoñer de máis amplitude. Servizo de madrugadores para o curso escolar Paralelamente, o Concello tamén está a traballar na preparación de Madrugadores que se porá en marcha co inicio do curso escolar. Trátase do servizo de axuda á conciliación que permite levar aos alumnos ao seu centro de ensino antes do inicio das clases e, deste xeito, adaptarse ás necesidades dos pais que entran a traballar antes de que comece o horario lectivo.Unha vez rematado o prazo de matrícula, a previsión é contar con preto de cen usuarios, dos cales máis de setenta serían alumnos do CEIP Otero Pedrayo e en torno a 22, do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco. |
PRAZA_15989 | A súa esposa continúa imputada pero foi posta en liberdade tras declarar este xoves nos xulgados de Ribeira O xuíz ve "indicios" de delito sexual na conduta do asasino confeso de Diana Quer | O xuíz ve "indicios" de delito sexual na conduta do asasino confeso de Diana Quer O Xulgado de Instrución número 1 de Ribeira vén de ratificar a prisión provisional incomunicada e sen fianza ditada o pasado luns para José Enrique Abuín, quen confesou ser o autor da morte de Diana Quer pero que este xoves se acolleu ao seu dereito a non declarar ante o xuíz. Tamén este xoves estaba citada a declarar a esposa de Abuín, que foi posta en liberdade pero en calidade de investigada, antiga figura da imputación. A súa esposa continúa imputada pero foi posta en liberdade tras declarar este xoves nos xulgados de Ribeira Segundo fontes oficiais da administración de xustiza, Abuín está a ser investigado no caso da morte de Diana Quer polos presuntos delitos de homicidio ou asasinato, detención ilegal e contra a liberdade sexual. Polos feitos sucedidos o 25 de decembro que permitiron a súa detención, Abuín tamén está a ser investigado por outro xulgado polos presuntos delitos de detención ilegal, roubo con violencia e intimidación, lesións e contra a liberdade sexual. Abuín rexeitou prestar declaración en ningunha das dúas causas e os dous xulgados acordaron a prisión provisional incomunicada e sen fianza, pero establecendo que a incomunicación finalice este mesmo venres. |
PRAZA_8910 | O maior compromiso ético que lle pedimos á dirección da RAG é o da lingua. Sen tacticismos, sen tregua para mercar chirimoias. Coa seguridade que lle damos as nais as nosas fillas queréndoas. O amor á lingua non abafa. Dálle seguridade. | Cando en 1985 no xulgado nº2 de Santiago o xuíz Carlos López Keller absolvía aunha persoa acusada dun delito de danos por ter cambiado o topónimo dun sinal, mal sabía o xuíz que o razoamento usado para a absolución de o acusado terse limitado "a adiantarse á actuación oficial" de cumprimento do mandato estatutario de protexer a lingua propia seguiría sendo unha tarefa por facer en 2013. Outravolta a toponimia e un xuizo penal por inxurias contra o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística ou o cambio ao que está procedendo AUDASA para castelanizar os sinais das autoestradas lembran que a sociedade civil segue "adiantándose" ao que o artigo 5 do Estatuto de Autonomía lle esixe aos poderes públicos. E tamén que son estes poderes públicos, a Xunta de Galicia, a xustiza, os representantes institucionais, os que fallaron clamorosamente ao longo de 30 anos. Buscar culpables noutro lado, cando sabemos a morte por inanición inexorable á que os poderes públicos someteron á lingua, é ruín. Mostra de que hai que resintonizar a antena Non outra é a explicación do devalo do galego. A ausencia dunha política de normalización dirixida polos responsables políticos que dera pasos e marcara obxectivos para prestixiar a nosa lingua, para asentala como lingua de comunicación social en todo tipo de usos na educación, a xustiza, os medios de comunicación, a administración, ou a sanidade cunha oferta positiva en galego. Buscar culpables noutro lado, cando sabemos a morte por inanición inexorable á que os poderes públicos someteron á lingua, é ruín. Mostra de que hai que resintonizar a antena. Se en 30 anos os obxectivos, nunca vixiados, de mellora na educación, medraron primeiro nunhas porcentaxes mínimas e agora decrecen; se mentres se asiste ao peche de medios de comunicación en galego danse millóns de euros de axudas a medios en castelán; se o programa informático da xustiza non permite unha xustiza áxil en galego; se a Xunta -esta semana pasada- esixe os concellos enviar os anuncios de contratos públicos en castelán á plataforma electrónica de contratación, o que abafa o galego é tanta agresión e o fariseísmo que o acompaña. Por máis que lle dou voltas non vexo cal é o obxectivo, en relación co galego, que pode acadar Xesús Alonso Montero cando compra chirimoias en castelán Dixo o presidente da RAG, nesa calidade era entrevistado e será interpretado mentres dure o seu mandato, que non é de quita-e-pon, que el era un falante táctico do galego. O dicionario da RAG define a táctica como o "programa de acción coordinada para levar a cabo unha empresa ou tentar acadar un obxectivo". Por máis que lle dou voltas non vexo cal é o obxectivo, en relación co galego, que pode acadar Xesús Alonso Montero cando compra chirimoias en castelán. Porque cando o fillo de Francisco Castro decide á mantenta tirar córners en galego aos once anos, cando á miña filla xogando ao baloncesto aos nove anos había nenas que lle indicaban que ela é galega pero as outras son españolas por falar en galego, cando Fran Lorenzo no Instituto Santa Irene cometía a excentricidade de afirmarse en galego, estes falantes non tácticos, seguros da nosa lingua, teñen que ter ao lado ao presidente da RAG. As vintecatro horas do día. Porque o maior compromiso ético que lle pedimos á dirección da RAG é o da lingua. Sen tacticismos, sen tregua para mercar chirimoias. Coa seguridade que lle damos as nais as nosas fillas queréndoas. O amor á lingua non abafa. Dálle seguridade. O maior compromiso ético que lle pedimos á dirección da RAG é o da lingua. Sen tacticismos, sen tregua para mercar chirimoias. Coa seguridade que lle damos as nais as nosas fillas queréndoas. O amor á lingua non abafa. Dálle seguridade Como seguridade lle da á lingua e á súa continuidade, as mensaxes positivas e actuais. Mensaxes non clasistas de criadas, pailáns, catedráticos ou gravatas. Mensaxes que non quedaron ancoradas na normativa do galego dos oitenta. Mensaxes novas e afirmativas como a de multiplicar x 100 a nosa lingua, a de Gústame o galego, como as das 300 persoas reunidas en Vigo ao chamado da Irmandade Xurídica Galega, como as que saen da música de María Fumaça, Zënzar ou de Dios ke te crew, dos recitais de María Lado e Lucía Aldao, dos lipdup que fan tantas mestras e mestres nas escolas que conseguen prender a afirmación (eu falarei) na xuventude. A mensaxe que transmite xente que aínda hoxe ten que seguir "adiantándose" á Xunta no ensino en galego creando Avoaescola ou a Semente, nos medios en galego desde Dioivo, Praza Pública, Tempos Novos, Sermos Galiza, Quepasanacosta ou GalizaAnoCero. Porque a nosa lingua sabe a pan e a chirimoia tamén en Brasil. |
PRAZA_11204 | Bispos doutras dioceses refuxiados na zona consolidaron unha sé que acabou convertendo a vila nunha das sete capitais de provincia do Reino de Galicia | Bispos doutras dioceses refuxiados na zona consolidaron unha sé que acabou convertendo a vila nunha das sete capitais de provincia do Reino de GaliciaMondoñedo celebra este sábado, coincidindo coas súas festas grandes das San Lucas, os 800 anos do inicio da construción da súa catedral, a coñecida como a catedral axeonllada polas súas compactas proporcións e reducida altura. Na celebración participará, entre outros, o arcebispo de Braga, lembrando así a azarosa orixe do actual bispado de Mondoñedo-Ferrol que ten a súa sede na catedral mindoniense pero que puido acabar en Portugal, A Pastoriza, Foz ou Ribadeo. A orixe de que en Mondoñedo haxa un bispado hai que buscala tanto nas illas británicas como en Portugal, nos dous casos tras a caída de Roma. Por unha banda, nos séculos V e VI a chegada ás illas británicas de pobos xermánicos fixo que poboacións cristiás romano-británicas migrasen, asentándose algunhas no norte de Galicia e creando alí o bispado de Britonia ou Bretoña, que adoita ser identificado coa parroquia de Santa María de Bretoña, na Pastoriza. Pola súa banda, pola mesma época, a mediados do século VI, era creado outro bispado arredor dun mosteiro da localidade de Dume, ou Dumio (próxima á Bracara Augusta capital da Gallaecia romana), fundado por San Martiño de Braga (ou San Martiño de Dumio), consolidándose alí un núcleo do reino suevo que rexía o noroeste peninsular.Os bispados de Dumio e Bretoña acabaron confluíndo no de MondoñedoCoa caída do reino suevo e as posteriores invasións visigoda e musulmana, e coa destrución de Bretoña polos viquingos, os dous bispados, o de Dumio e o de Bretoña, acabaron refuxiándose nun mesmo lugar, en Foz, no mosteiro de San Martiño de Mondoñedo -igual que os bispos de Braga acabarían refuxiados no bispado de Lugo-. A comezos do século XII a sede trasladouse de Foz a un lugar máis seguro, terra adentro, no Val de Brea, ou Bría, o lugar da actual Mondoñedo que acabou herdando o nome do anterior mosteiro de San Martiño. A sede episcopal aínda pasaría brevemente por Ribadeo antes de que en 1219 comezase a construírse a catedral que agora celebra o seu oitavo centenario. Durante varios séculos os bispos de Mondoñedo seguiron recibindo o título de 'Episcopus Dumiensis', como foi o caso de San Rosendo no século XO bispado de Braga finalmente volvería ao seu lugar de orixe, pero o de Dumio xa non. Durante varios séculos os bispos de Mondoñedo seguiron recibindo o título de Episcopus Dumiensis, como foi o caso de San Rosendo no século X. Na actualidade o bispado de Dumio, ou Dume, segue a existir pero coa consideración de sede titular, sen territorio definido ao cargo, isto é, que xa só existe como título. Tras todos eses avatares, Dume, Bretoña ou San Martiño de Foz quedaron reducidas a parroquias mentres que a actual Mondoñedo vía como a construción da catedral hai agora 800 anos, malia estar axeonllada, consolidaba a importancia comercial que xa tiña -e que evidencian as festas das San Lucas e a súa feira preexistente- ata converterse nunha das sete capitais de provincia do antigo Reino de Galicia. |
PRAZA_21069 | O sindicato levou a cabo manifestacións e concentracións en 18 cidades e vilas galegas, actos nos que reclamou a derrogación das dúas últimas reformas laborais e das pensións e propuxo a participación da Xunta en proxectos empresariais clave ou a nacionalización das plantas de Alcoa ou Alu Ibérica. | As mobilizacións pediron a "derrogación total" das reformas laborais de 2010 e 2012 e das reformas das pensións de 2011 e 2013A CIG levou a cabo mobilizacións este domingo en 18 cidades e vilas galegas, reivindicando "unha saída xusta da crise". Nas concentracións, o sindicato esixiu "políticas que permitan encetar unha auténtica recuperación económica e social e camiñar cara a unha situación de emprego, salarios, pensións e condicións de traballo dignas" en Galicia. E, en concreto, centrou as súas demandas na "derrogación total" das reformas laborais de 2010 e 2012 e das reformas das pensións de 2011 e 2013.A Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo acolleron varias marchas en cada cidade, que confluíron en prazas céntricas de cada urbe, onde tivo lugar o respectivo acto final. Tamén se levaron a cabo concentracións en Vilagarcía de Arousa, A Guarda, As Pontes, Boiro, Cangas, Cee, Lalín, O Porriño, Redondela, Ribadeo e Verín.A CIG denuncia que as medidas dos Gobernos español e galego "son insuficientes ou inexistentes para dar unha resposta xusta á crise"O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que as medidas que están a adoptar os Gobernos español e galego "son insuficientes ou inexistentes para dar unha resposta xusta á crise" derivada da pandemia e "lévannos a unha maior precariedade, máis desigualdade social e máis pobreza porque o capitalismo aposta por salvar a economía en vez de protexer as persoas".O sindicato reclama a fixación por lei do SMI no 60% do salario medioAdemais das derrogacións das reformas laborais e das pensións, a CIG reclama a fixación por lei do SMI no 60% do salario medio, a supresión do IPREM e o establecemento dunha renda de inserción laboral e social coa contía do SMI e o establecemento por lei unha pensión mínima igual ao SMI e a súa revalorización anual co IPC real.A CIG demanda "a intervención pública no sistema financeiro, coa xestión directa dos fondos europeos" ou a nacionalización de Alcoa ou Alu IbéricaA CIG sinala que no actual contexto de crise os gobernos español e galego "teñen que ter un papel fundamental na dinamización económica" polo que demanda "a intervención pública no sistema financeiro, coa xestión directa dos fondos europeos", así como a creación dun Banco Público Galego ou a participación da Xunta en proxectos empresariais clave e a nacionalización das plantas galegas de Alcoa ou Alu Ibérica.Finalmente, o sindicato propón un reforzo dos servizos públicos, eliminando a taxa de reposición e fortalecendo o ensino público e a sanidade pública incrementando os cadros de persoal en ambos os dous casos |
NOS_1474 | Uxío Broullón é un ilustrador e deseñador gráfico que xunto con Isaac González dirixe e xestiona o proxecto "Podgalego", un directorio no que as interesadas no mundo do podcasting poden atopar todos os podcasts en lingua galega dos que os seus xestores teñen constancia. No directorio, ademais dunha ficha técnica con datos de cada programa, tamén se poden atopar diversos recursos tanto para as persoas ouvintes como para as creadoras de contido. Para Broullón, non é un traballo, senón unha actividade relaxada. | -Como naceu "Podgalego"? O proxecto naceu hai quince anos xa. Polo que lembro, en 2006, había poucos podcasts en galego. Eu sempre pensaba se non habería máis, e a raíz diso, Isaac González, que estaba convencido de que había moitos outros podcasts dos que non se tiña constancia, comezou a idear iniciativas para darlles visibilidade. Iso coincidiu cunha xuntanza de blogueiros na que Pedro Silva, que levaba "Blog Galiza", tamén me comentou que quizais era boa idea confeccionar un directorio no que se recollesen todos eses programas. Como eles dous tiñan moito máis clara a idea, animeinos a que a sacasen adiante. Nun principio, eu non estaba demasiado interesado en implicarme, pero ao final acabei metido. Fixemos un foro para ir decidindo aspectos diversos. "Podgalego" naceu como un directorio ao que se lle foron engadindo diferentes ferramentas, como espazos onde atopar música libre, aplicacións para editar o audio... Pouco a pouco foi esmorecendo porque era moito traballo. Ademais, os podcasts en galego tamén comezaron a esmorecer. Durante cinco anos, máis ou menos, o proxecto quedou paralizado. En 2016, Isaac decidiu recuperalo e enfocalo só como un directorio. -O podcast está a vivir un momento de auxe na Galiza. Festivais como o Carballo InterPlay levan anos a facer encontros para podcasteiros do país. O ano pasado, a raíz do InterPlay, Isaac acudiu a un encontro podcasteiro promovido polos organizadores do festival. Nese momento decidiu que era boa idea comezar a confeccionar unha comunidade. Volveu contactar comigo e decidimos darlle unha volta á web. Incluímos recursos, como enlaces ás redes sociais de cada podcast, e modernizamos os antigos. A idea era axudar e favorecer que os ouvintes poidan avanzar nos seus podcasts favoritos, facilitándolles o acceso ás novidades. Temos tamén un grupo de Telegram no que xa participamos máis de setenta podcasteiras, co obxectivo de axudarnos, intercambiar opinións e comentarios, facer grupo... -Como ve o panorama actual do mundo das creadoras de podcasts en galego? No último ano xa metemos oitenta podcasts novos no directorio, que son os mesmos que se adscribiron nos catro anos anteriores. É un salto enorme. Penso que destes novos programas, haberá moitos que se manteñan e haberá outros moitos que desaparezan, polo motivo que sexa, pois na creación de contidos non inflúe só a calidade, tamén o cansazo das creadoras, as expectativas de retorno... Espero que, como mínimo, aguanten a metade, aínda que non se pode asegurar nada. Os novos podcasts que saen teñen unha amplitude maior de rexistros. Xa non son só gravacións de audio. Hai canles de YouTube, de Twitch que derivan en podcasts. Iso tamén fai que as creadoras poidan decantarse por un ou outro formato segundo máis lles conveña e interese. Tamén hai moita xente nova con moita motivación e enerxía, e espero que iso pule para que aguanten aínda máis. Porque hai unha gran variedade temática e de formatos que, hai quince anos, cando comezamos, non se vían. -Mencionaba antes o Carballo InterPlay, e precisamente este ano "Podgalego" formou parte do festival. Estes eventos son fundamentais para dar a coñecer todo o camiño que os podcasteiros galegos percorreron durante quince anos. Ademais, danlle pulo e visibilidade tanto aos propios podcasts como a proxectos como "Podgalego". Estes días tivemos un aumento de seguidoras moi grande nas redes sociais, e iso foi grazas a toda a publicidade do festival. |
NOS_11094 | O grupo compostelán fai un cuarto de século sobre os escenarios. | Espiño e Samesugas, O' Leo, A Banda da Loba, Rastreros, The Teta´s Van, Pauliña, Zënzar, O Sonoro Maxín... e así até 32 bandas. O disco de homenaxe aos Ruxe Ruxe polo 25 aniversario dos composteláns reúne boa parte da heteroxénea e rica escena da música en galego para versionar o grupo que fai un cuarto de século de carreira. A principios de mes tivo lugar a presentación do disco nun encontro sorpresa para os integrantes de Ruxe Ruxe, que se mostraron moi emocionados, indican os promotores desta iniciativa. Poucas bandas do rock galego e en galego poden presumir de 25 veráns sobre os escenarios A idea orixinal e o lanzamento do disco foi iniciativa de Mario César (Túzaros, Invivo, Urko), Bocixa (Zënzar), Piedra (Deseqilibrio Mental, Astarot), na que participaron numerosos músicos galegos que quixeron mostrar aos Ruxe "a súa admiración e o seu agradecemento por estes 25 anos de carreira. Nestes tempos raros e difíciles para a música ao vivo e especialmente para o rock, este é sen dúbida o maior acontecemento musical dos dous últimos anos". Poucas bandas do rock galego e en galego poden presumir de 25 veráns sobre os escenarios e case unha ducia de traballos na discografía. Talvez só unha, procedente da periferia compostelá, no ronsel do movemento bravú e practicante de rock punk: Ruxe Ruxe. Nunha entrevista cando os de Aríns chegaban aaos 20 anos de vida, o seu cantante, Vituco Neira, afirmaba que "estes 20 anos para nós pasaron en 20 segundos". Indicaba entón que "o balance para nós é superpositivo porque creo que cada vez somos mellor grupo. Quero pensar que as cancións son cada vez mellores e que o temos máis claro todo, que melloramos en todos os aspectos". |
NOS_50384 | Permanece a vixilancia nos dous focos detectados nas comarcas da Mariña, no que os positivos xa ascenden a 22, e na do Barbanza. | Segundo os últimos datos da Consellaría de Sanidade, permanecen activos na Galiza 308 casos de coronavirus, mentres que as persoas curadas aumentaron a 16 e sitúanse nas 10.6060. Do total de pacientes, catro permanecen en unidades de hospitalización, os mesmos que onte, mentres que as Unidades de Coidados Intensivos permanecen sen casos da COVID-19. Do total, 131 dos casos positivos corresponden á area sanitaria de Vigo, con dous menos que na sexta feira; 75 á área da Coruña e Cee, con seis menos; 26 á de Compostela e o Barbanza; 22 á de Ourense, cun positivo máis; 24 á de Lugo, con tres máis, once á de Ferrol e nove á de Pontevedra, cun caso máis. Nas residencias de maiores a situación permanece sen cambios, con cinco casos activos dos cales un é dun traballador. En concreto, rexístranse tres casos positivos en usuarias e usuarios da residencia Santa Teresa Jornet da Coruña e outro en Caser A Zapateira, no concello de Culleredo. Desde o sábado 13 de xuño non se rexistran contaxios na rede de atención a persoas con discapacidade. Aumentan os contaxios na Mariña Ademais, permanece a vixilancia nos brotes detectados nas comarcas do Barbanza e da Mariña. Neste último, persiste o rastrexo de contactos para determinar se até 22 persoas se contaxiaron a raíz dun mesmo foco ou se existen dous diferentes. As residencias da comarca permanecen na fase un do plan de reactivación por prevención, coas visitas restrinxidas a unha semanal e coa prohibición de recibiren novos ingresos. A Consellaría de Sanidade lembra nun comunicado que o primeiro caso detectouse a pasada segunda feira no Concello de Xove, dando comezo aos labores de rastrexo e análise dos contactos. Polo momento, xa se realizaron máis de 200 probas, con 22 resultados positivos, á agarda de máis estudos. . |
NOS_15307 | Redución por terceiro día consecutivo dos casos activos de Covid na Galiza, o que non evita que o número de persoas tratadas en unidades de hospitalización continúe a subir. | Os datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade ratifican o descenso paulatino de casos activos e novos contaxios de Covid-19 na Galiza. No reporte desta segunda feira, con información recollida entre as 18 horas do sábado e a mesma hora do domingo, sinálase que hai arredor de 4.200 infeccións activas menos que na xornada anterior, cun total de 71.376 casos. Os positivos de coronavirus rexistrados en 24 horas son 4.337, un milleiro menos que no anterior reporte. Non obstante, continúa o incremento das hospitalizacións, que alcanzan as 629 persoas, 37 máis que o día anterior. Nestes intres, están sendo tratados en Unidades de Coidados Intensivos 47 pacientes, un menos que no informe do domingo, e 582 persoas en unidades de hospitalización, 38 máis. Malia a lixeira rebaixa da taxa de positividade das probas PCR, sitúase en 19,6%, permanece case catro veces por riba do límite marcado pola Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia, do 5%. A incidencia acumulada a 14 días na Galiza é de 3.259,07 casos por 100.000 habitantes, por debaixo da media estatal, de 3.418,46 casos por cada 100.000 habitantes, segundo transmitiu a pasada sexta feira o Ministerio de Sanidade. Casos por áreas sanitarias Estas estatísticas ratifican o descenso de casos activos por terceira xornada consecutiva, o que se reflicte en todas as áreas sanitarias. Con todo, a de Vigo continúa á cabeza das infeccións, con 18.876; seguida da da Coruña e Cee, con 15.114; Santiago e Barbanza, con 10.811; Pontevedra e O Salnés, con 8.508; Ourense, con 7.350; Lugo, con 7.266; e á cola mantense a de Ferrol, con 3.451. Falecementos O domingo, a Consellaría fixo públicos seis novos falecementos, polo que o número de defuncións con coronavirus desde o inicio da pandemia acada as 2.881 persoas. |
NOS_1674 | O campionato de traiñeiras desembarcou en Galiza con regatas en Sanxenxo e Moaña, gañadas por Urdaibai e Hondarribia. Na Liga galega, dominio grovense nas categorías A e B, e crucense na feminina. | A Liga San Miguel ou ACT desembarcou en Galiza con 2 regatas (Sanxenxo e Moaña), que foron aproveitadas polas traiñeiras galegas que compiten na máxima categoría deste deporte para gañar puntos e dar un bo chimpo na clasificación xeral, situándose 2 dos barcos galegos (Cabo de Cruz e Tirán) entre os 4 primeiros postos. Na Liga San Miguel compiten 12 traiñeiras: 8 vascas, 1 cántabra e 3 galegas (Cabo, Tirán e Meira). Na regata de Sanxenxo venceu Hondarribia, actuais campións da Liga e que nesta temporada manteñen a primeira posición, cun tempo de 19:54:72. A menos de dous segundos entrou a traiñeira de Cabo de Cruz, que conseguiu a segunda posición. O terceiro posto foi para San Juan e de cuarta entrou Tirán. Meira foi décimo-segunda. Na competición en augas de Moaña foi a tripulación de Urbaibai a que se impuxo, por diante de Hondarria (2ª), de San Pedro e de Tirán, que entrou cuarta. Cabo finalizou sexta e Meira, 12ª. Así as cousas, os de Hondarribia encabezan a clasificación xeral, seguidas dos de Bermeo (Urbaibai) e con Cabo de Cruz e Tirán en terceiro e cuarto posto, por diante de Astillero e Orio, por dicir 2 traiñeiras de renome e peso no banco fixo. Meira, que ascendeu esta temporada, vai de última na clasificación. Liga Galega Na Liga galega de traiñeiras (LGT) o dominio é grovense. Tanto a categoría A como a B están lideradas a estas alturas por traiñeiras da localidade arousá: Amegrove e Mecos. Na primeira das divisións (A, compiten 8 traiñeiras), Mugardos e Ares están en segunda e terceira posición. Na B (compiten 7 embarcacións) seguen a Muros na claisificación a asturiana Castropol, Chapela e Rianxo. As vogadoras de Cabo de Cruz van líderes na LGT-feminina, por diante de San Martiño e Chapela. Todas as fotografías son de Maider Celada (Liga San Miguel). A de portada, da traiñeira de Cabo de Cruz. Dentro: Tirán, Meira e Cabo. |
NOS_17350 | Interesouse pola impunidade dos represores, pola simboloxía fascista, polo esquecemento das vítimas. O relator da ONU, Pablo de Greiff, escoitou a asociacións e vítimas nunha xornada cualificada como histórica polo movemento memorialístico galego. | O relator especial da ONU sobre a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición, Pablo de Greiff visitou Galiza para se reunir con respresentantes das asociacións pola memoria e vítimas, directas e indirectas, da represión franquista. Desde os colectivos da memoria cualifican a visita de "histórica" e mostran o seu agradecemento porque de Greiff visitara Galiza e se interesara pola situación no país na súa visita ao Estado español, da que emitirá un informe final. A próxima segunda feira presentará unhas conclusións previas ao informe que emitirá finalmente no mes de maio. De Greiff xuntouse en primeiro lugar con representantes de Iniciativa pola Memoria, plataforma que agrupa as asociacións, e, a seguir, participou nunha reunión máis aberta á que asistiron tamén familiares de vítimas ou representantes de organizacións. O relator da ONU tomou notas do que lle foi relatado e na xuntanza destacouse xa a relevancia da propia visita e da importancia de que un organismo internacional se interesase pola memoria e a xustiza arredor da represión franquista e considerase a pluralidade na súa visita ao Estado Español. De Greiff escoitou, entre outras, as intervencións dos escritores Manuel Rivas ou Claudio Rodríguez Fer, do investigador Manuel Monge ou do neto de Alexandre Bóveda, Valentín, entre outros moitos fillos de fusilados de Cangas ou Ribeira ademais de persoas que estiveron na cadea. Na xuntanza déronlle prioridade á voz das vítimas, que transmitiron ao relator da ONU non só os tráxicos episodios da súa vida senón tamén a desmemoria e a impunidade dos represores. Entre os temas dos que De Greiff tomou nota atópase as normativas restritivas para o acceso aos arquivos, a impunidade dos represores grazas á lei de amnistía, a persistencia da simboloxía franquista e homenaxe a represores ou a minusvaloración dos crimes. De maneira particular, houbo declaracións referidas ás homenaxes póstumas a Manuel Fraga, con actos, placas e monumentos, que introducen simboloxía nova sobre un dos protagonistas da represión franquista. Alertouse tamén sobre a situación das fosas e da inhibición do Estado Español que permite que haxa desenterros levados a cabo por particulares sen control e non responda a unha preocupación institucional debida ás vítimas da represión. Lembrouse que o Estado Español é o segundo país despois de Camboia en número de fosas. A esquecida Illa da Memoria Representantes das asociacións pola memoria acompañarán na xornada de hoxe, quinta feira, á illa de San Simón, espazo que de Greiff mostrou interese en coñecer. Durante a xornada, o relator da ONU tivo oportunidade de coñecer a situación de dous lugares de especial importancia para a recuperación da memoria pola súa carga simbólica. Por unha parte, o Pazo de Meirás, a lexitimación do roubo do réxime para Franco, segundo lle dixeron, e, por outra parte, a illa de San Simón, campo de concentración do que está a ser borrada a memoria. A Illa de San Simón foi declarada durante o goberno bipartito da Xunta como Illa da Memoria e nela se organizaron as primeiras homenaxes institucionais ás vítimas da represión. Arredor da Illa a Consellaría de Cultura, xestionada polo BNG, elaborara un amplo programa de actuación encamiñado a convertela en espazo de referencia da recuperación da memoria histórica. Coa chegada ao goberno da Xunta do PP, a memoria da represión desapareceu de San Simón da mesma maneira que estivo ausente no proceso de reconstrución, desenvolvido daquela polos gobernos de Manuel Fraga, ex-ministro de Franco. |
NOS_52657 | Minia Regos, ilustradora e muralista, combina técnicas dixitais e tradicionais para plasmar un mundo onírico, baixo un estilo moi persoal de suaves trazos e gran detalle, tal e como se poderá apreciar nas súas láminas do 'Cartafol de ilustracións do Reino de Galiza' de MAOS Innovación Social. 'Nós Diario' incluirá o sábado 17 de setembro unha cartilla para conseguir este cartafol de ilustracións. As lectoras e lectores poderán cubrila cos cinco cupóns que se distribuirán co xornal entre o 20 e o 24 de setembro e entregala no quiosco. | —Cales son as súas influencias artísticas e ilustradoras referenciais?Sería cousa de analizalo con máis detemento pero penso que despois de tanto tempo o meu traballo ten influencias moi variadas, ao longo dos anos funme fixando en moi diversos artistas puntualmente, segundo os meus intereses do momento, artistas, cómic e ilustración de todas as épocas e estilos. Algunhas influencias déronse a un nivel máis inconsciente, pero considero que nunca deixei de buscar, resultando un proceso acumulativo no que boto man do que me interesa segundo as miñas necesidades. —Como definiría o estilo dos seus traballos?Creo que teño un estilo un tanto cambiante, non me quero fechar a unha soa técnica nin rexistro, gústame poder adaptarme a proxectos de diversa índole enfocados a campos variados. Esto ten os seus pros e as súas contras. Se ben, recoñezo que hai unha tendencia natural ao uso da liña e ao detalle no meu traballo. Ademais interésame bastante a psicoloxía dos personaxes, o onirismo e o simbolismo. —Cando afronta un novo proxecto, como é o seu proceso creativo?Normalmente fago moitos bosquexos e un rebumbio de ideas, xogo coas palabras chave, vexo que me suxiren ou imaxino situacións derivadas delas. Intento documentarme se é preciso e busco modelos como fotografías ou obxectos que me poidan axudar nas representacións. —En poucos días poderemos ver o Cartafol de ilustracións do Reino de Galiza, que salientaría do resultado?O que máis me gusta é ter logrado un aura de misterio ao redor das mulleres que me tocou ilustrar, xa que pertencen a unha época moi afastada e sempre haberá unha parte da historia que non coñecemos, máis aínda contando con que son mulleres. Ademais en ambas, a relixión e espiritualidade estaban presentes na súa vida, o que as fai máis místicas. —Ilduara Eriz e Sancha I son mulleres relevantes da Galiza do medievo, como foi o proceso de coñecer a súa historia e achegarse a estas figuras para posteriormente plasmalas nas láminas?Resultou ser un proceso moi interesante, recollín información sobre elas e focalicei o meu traballo nos datos que me chamaron máis a atención. A Ilduara Eriz quixen situala na Capela de San Miguel de Celanova que encargou levantar xunto co seu fillo, xa que é unha xoia histórica única. Tamén fago referencia ao fenómeno astrolóxico que se dá nela cada equinoccio de outono. Ilduara era unha muller moi rica e culta, que viviu nunha situación de certa igualdade con respecto aos homes pero co seu fillo Rosendo dá comezo unha regresión enorme contra os dereitos das mulleres. Por iso situeina pasando dunha estancia iluminada a outra escura. De Sancha I encantoume redescubrir o Códice do comentario á Apocalipse do Beato de Liébana, que tamén é unha peza de grande importancia, ao que fago referencia no arco de fondo. En Santiago de Compostela está outro dos códices que mandou facer, O Libro de Horas, grazas a esta encarga Sancha conseguiu que Fernando I fora aceptado pola aristocracia que tiña na súa contra, e amoso a Sancha con ese poder de facilitar a Coroa. Gústame que nas dúas estean presentes os libros, quedando patente o poder e importancia que tiveron os mesmos na historia. —En que proxectos traballa agora?Teño varios proxectos en standby e coido que non os poderei sacar polo momento, xa que a miña carreira está indo máis cara ao ensino, pero non teño pensado deixar de debuxar. |
PRAZA_7291 | Que tal se mudamos o esquema de o espanhol ser uma língua internacional e o galego uma língua local? Que tal se deixamos atrás a Ilusão Necessária? Ainda que só seja por experimentar e deixar os lamentos atrás. | Outra vez saíram números, desta vez do IGE, Instituto Galego de Estatística. Nos tempos que nos tocou viver os números ganharam grande importância na hora de criar emoções e mover o pessoal. De facto, ambas as palavras, emoção e mover, estão unidas em origem. O governo diz que o galego nunca estivo melhor e ninguém toma a Bastilha apesar de ser uma mentira evidente. A Bastilha fica a salvo porque o tema do galego não interessa lá muito Os números sobre usos da língua galega são os habituais e as declarações do pessoal são as corriqueiras. Durante o franquismo não havia números a respeito da saúde social da língua, não interessava lá muito. Nesta fase histórica, as elites reservavam para ela a invisibilidade. Podia existir desde que não desse nas vistas, desde que residisse na periferia, nas aldeias e na oralidade informal. Depois chegou o galego da transição, em que ainda estamos a nadar, que é o galego da ilusão necessária, usando o termo de um livro de Mário Herrero que está para vir. A linha rítmica é "tem que parecer que vamos a sério mas já sabemos que não vai" e quase todo o pessoal dança esta melodia. O governo diz que o galego nunca estivo melhor e ninguém toma a Bastilha apesar de ser uma mentira evidente. A Bastilha fica a salvo porque o tema do galego não interessa lá muito. Se o governo dixesse que na Galiza há 10.000 desempregados ou que conseguiu contratos para 100 anos para todos os estaleiros galegos talvez os tijolos do Parlamento tremessem, não sei se de ira ou à gargalhada. Uma política linguística não descansa no vazio. A primeira decisão que há que tomar é: quem fala a nossa língua? A resposta do governo e da maioria dos alporizados foi: só os galegos e as galegas Ora, na dança não participa apenas o governo como também entidades opositoras de todo o tipo que negam conhecer a melodia. Alporizam-se, arrancam os cabelos, tentam criar novas frases de desassossego mas não conseguem. Parecem esquecer, eu creio que não, que o produto também é deles. Uma política linguística não descansa no vazio. A primeira decisão que há que tomar é: quem fala a nossa língua? A resposta do governo e da maioria dos alporizados foi: só os galegos e as galegas. De acordo. O Brasil, Portugal, Angola, as suas sociedades e as suas produções não interessam, temos bastante para nós arranjar sós. Sobre essa resposta identitária é construída uma norma e sobre a norma uma política linguística. No Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega a presença do sintagma portug- é, sendo magnânimos, irrelevante. Que tal se deixamos atrás a Ilusão Necessária? Ainda que só seja por experimentar e deixar os lamentos atrás Que tal se mudamos o esquema de o espanhol ser uma língua internacional e o galego uma língua local? Que tal se deixamos atrás a Ilusão Necessária? Ainda que só seja por experimentar e deixar os lamentos atrás. |
NOS_33573 | A campaña de Galiza Nova para o 8 de marzo foi presentada esta terza feira en Compostela pola responsábel de Organización da formación xuvenil do Bloque, Claudia Quintela, e pola deputada nacionalista Olalla Rodil. | O obxectivo da campaña, salientou Olalla Rodil, é "lanzar un chamamento ás mozas galegas para que se impliquen non só no 8 de marzo, senón todos os días no movemento feminista". Durante a campaña Galiza Nova prevé realizar por volta de 20 asembleas abertas non mixtas por todo o país. Para a parlamentar do BNG, "unha sociedade que nega dereitos á metade da poboación, que normaliza o medo e o control sobre a vida e os corpos das mulleres non é unha sociedade democrática". Quintela, pola súa parte, ve crucial "reivindicar o carácter combativo co que naceu hai máis de 100 anos o 8 de marzo". A secretaria de Organización de Galiza Nova avanzou que a campaña se vai inserir "nun marco centrado no país e na clase traballadora galega, elementos que son indivisíbeis na loita pola emancipación das mulleres e por unha sociedade máis xusta e igualitaria". |
NOS_21282 | Logo de Esquece Monelos, a súa primeira longametraxe estreada no 2017, Ángeles Huerta está a rodar O corpo aberto, o seu novo filme de ficción. Baseada nun relato da obra Arraianos, de Xosé Luís Méndez Ferrín, a historia desenvólvese na rexión do Xurés-Gêres, nesa 'raia' entre a Galiza e Portugal. | Como nace 'O corpo aberto'? Non é algo que estivese buscando. Nace da espontaneidade e da pureza da lectura. Eu lin o relato e atravesoume como un lóstrego, xa vin o filme. Logo falando con Ferrín, tamén confesou que pensara tamén nunha película. É un relato gótico, dun estranxeiro que vai a unha aldea remota e atopa un mundo escuro onde pasan cousas que non entende de todo. El mesmo dicía que tiña tamén o wéstern un pouco presente mentres escribía, pero tamén esa visión cinematográfica. Non deixa de ser sorprendente, xa que se trata dun relato epistolar. Parte de 4 ou 5 cartas do mestre ao seu tío, confesor da catedral de Ourense. Semella o máis "anticinematográfico" que hai, mais si se presta para filme. O concepto de corpo aberto, ese mundo tebroso... Búscase un calafrío complexo de expresar. Despois, cando te paras a pensar, a película realmente conten moitas cuestión que enlazan dun xeito moi claro coa contemporaneidade, con temas que agora están sobre a mesa. Ao final, fálase da fronteira, dos límites e do difuso que son, mais tamén do confuso que é o límite entre unha cultura, un país, unha lingua e outra, entre o masculino e o feminino, os vivos e os mortos... Por que ese título? É unha historia de corpos abertos, de transmigración das ánimas, de espíritos e defuntos que entran no corpo dos vivos para rematar cousas que deixaron en vida. Pódese facer unha lectura estritamente tradicional de que hai espíritos que circulan ou pódese falar de como nos adaptamos ao que son os marcos culturais para cumprir os nosos desexos e poder lexitimalos. É ese concepto de corpo aberto en si, esa figura tradicional do posuído, tal e como entenden nesta zona da Galiza, que tamén ten connotacións eróticas e ten que ver con todos nós. Ao final todos somos corpos abertos na medida en que todos estamos posuídos por historias que lemos, as cousas que nos contan, as historias que coñecemos... Ten que ver un pouquiño con todo isto. O filme está baseado nun relato de Méndez Ferrín. Incorpora outras tramas ou personaxes novas? O relato creo que ocupaba sobre 20 páxinas e a película ten unha duración aproximada de hora e media hora, entón hai personaxes que directamente non están, outros que están na sombra e os poñemos máis en escena... Logo hai outros que simplemente se mencionan e aquí cobran un peso específico importante. O relato de Ferrín morre no momento no que parece que o mestre podería converterse tamén nun corpo aberto e nós imos máis alá. Contamos tamén con cousas que non están no relato, como o Entroido ou outras cuestións relacionadas coa temporalidade do filme. Comeza a finais de outubro, que é cando chegaban os mestres temporais a traballar nas escolas. Nas zonas de montaña, tanto da Galiza como de Asturias, o curso empezaba máis tarde e remataban antes, para poder traballar no campo. Entón, o mestre chega á aldea a finais de outubro e o filme remata en febreiro, en plena eclosión do Entroido. Si que é certo que tomamos a liberdade de mesturar figuras do Entroido galego que non son estritamente arrianas, pero como o relato ten ese ton de conto e de fábula gótica tamén nos permitimos certas licenzas. Por que se elixiu esa localización? O propio relato acontece no Xurés. De feito, a aldea ficticia de 'Lobosandaus' ten que ver cunha vila real, estamos na propia zona do relato. Gravamos sobre todo en Muíños e na freguesía de Montealegre, e logo tamén na aldea portuguesa de Pitoes das Junias. É unha película arraiana totalmente, a fronteira non é simplemente o escenario onde suceden as cousas ou un sitio bonito con penedos, é realmente a cerna do filme no sentido que fala dos límites e do difuso que son; deses marcos que a veces son máis mentais que reais. |
NOS_2763 | Os ataques da forza aérea israelí continúan cos bombardeos na Faixa de Gaza. A cifra de vítima elévase a 84 cando levamos seis días de conflito | Neste sexto dia de conflito, a forza aérea de Israel continúa cos seus bombardeos na Faixa de Gaza. Catro persoas, entre as que figuran unha crianza de cinco anos e unha muller, morreron nun primiero ataque de madrugada. Despois un segundo ataque deixou tres palestinianos sen vida nun dos ataques máis duros desde que comezaron os bombardeos nesta zona. As vítimas mortais de hoxe elevan a 84 o número de palestinian@s mort@s desde o início desta ofensiva israelita. Onte foi o día máis violento desde que Israel decidiu bombardear a Faixa de Gaza. Segundo algunhas axencias unhas 29 persoas morreron nunha mesma xornada, entre elas unha familia de once membros, con catro crianzas entre as vítimas. O BNG convocou para hoxe mesmo concentracións en todas as cidades galegas ás 20 horas. No Consello Nacional celebrado esta fin de semana a formación nacionalista chamou á cidadanía "a manifestarse contra estas agresións e en defensa do que é xusto: o Estado palestino". |
NOS_34354 | A entidade financeira pechou 2012 con números vermellos : 7.938 millóns de euros. En 2012, NCG pechou máis de 200 oficinas | Novacaixagalicia banco (NCG) pechou 2012 dunhas perdas de perto de oito mil millóns de euros, segundo a propia entidade financeira recoñece nun comunicado remitido esta terza feira á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). Os números vermellos mesmo, antes da devolución de impostos, atinxían os 8.056 millóns de euros. Estes resultados supoñenmultiplicar por 42 as perdas que NCG tivo no exercicio anterior, 2011 (186 millóns de euros). Desglose As perdas por deterioro de activos financeiros rondaron os 6.021 millóns de euros.Cómpre lembrar que antidade financeira pechou 2012 cun cadro de persoal na matriz de 5.705 traballador@s e unha rede de 844 oficinas. Desde 2010 despedíuse a 2.011 persoas |
PRAZA_16732 | O informe da Fiscalía sobre os incendios de outubro debulla a situación vivida na área viguesa e conclúe que os múltiples focos tiveron orixe na propagación de restos incandescentes desde dúas únicas frontes. A investigación desmonta teorías e "boatos" que crearon "alarma social e pánico". A Fiscalía desbota a teoría das tramas e do terrorismo incendiario que alentou a Xunta Rueda nega que a Xunta apuntase a "tramas criminais" nos incendios de outubro | A Fiscalía desbota a teoría das tramas e do terrorismo incendiario que alentou a Xunta Rueda nega que a Xunta apuntase a "tramas criminais" nos incendios de outubro "Esta actividade incendiaria é impropia; estamos afeitos a este tipo de actividades, pero o que está ocorrendo en zonas habitadas da área metropolitana de Vigo preocúpanos. Están xogando con vidas". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amosaba a súa preocupación polos incendios que naquela fin de semana de outubro asolaban a contorna da maior cidade galega, que atribuía a esa "actividade incendiara homicida" que, tal e como aclaran as investigacións recompiladas polo informe da Fiscalía, non existiu de forma coordinada, nin como trama nin como acto de grupo terrorista ningún. O caso da urbe viguesa é debullado polo documento presentado este luns ao ser a "primeira vez" que unha vaga de lume "ataca de maneira frontal un núcleo urbano habitado desta entidade". A situación causou escenas de pánico, alarma e moreas de rumores que atribuían os focos a cidadáns organizados, ben fose en moto con garrafas de gasolina ou mesmo a través de sofisticados artefactos incendiarios. Nada diso existiu segundo as pescudas dos corpos de seguridade e o Ministerio Fiscal. Os investigadores conclúen que "os incendios que arrasaron Vigo teñen a súa orixe en dous focos ou frontes concretas" De feito, a hipótese dos investigadores que traslada a Fiscalía é que "os incendios que arrasaron a cidade de Vigo teñen a súa orixe en dous focos ou frontes concretas": un na parroquia de Morgadáns, en Gondomar, que avanzou cara ao norte polo monte Galiñeiro ata alcanzar Zamáns e Valadares; e outro desde Nigrán, nas parroquias de Camos e Parada, que avanzou por Chandebrito e entrou en municipio vigués polo monte Alba, o monte dos Pozos e Coruxo, afectando a Fragoselo, Matamá, Comesaña, Navia, Alcabre ou a confluencia das rúas Porto Rico con avenida de Madrid e San Xoán do Monte. "As brasas ou faíscas poden chegar a caer, incandescentes, a unha distancia de entre 1 e 5 quilómetros e iniciar alí de novo lume" En ambos casos, a Garda Civil entende que foron incendios intencionados a varios quilómetros de Vigo e que desde aí foron propagándose ata chegar mesmo ao núcleo urbano ou a diferentes parroquias do municipio, alentados polas excepcionais condicións climatolóxicas de calor, escasa humidade e fortes ventos. Así, como explica a Fiscalía, "as brasas ou faíscas poden chegar a caer, incandescentes, a unha distancia de entre 1 e 5 quilómetros e iniciar alí de novo lume". Foi o que pasou na contorna viguesa naquela fatídica noite do 15 ao 16 de outubro. Apareceron "focos secundarios fóra do perímetro" de grandes incendios, o que causou "unha grande alarma social entre as testemuñas ou a poboación, que en ocasións descoñecen a dinámica do lume ao pensar que distintas persoas están a causar incendios en diversos lugares, cando en realidade proceden dunha única fronte". "Este fenómeno repetiuse na cidade de Vigo", advirte o informe, que dá conta da nova, perigosa e daniña tipoloxía de incendios que o comité de expertos encargado polo Parlamento portugués debulla en varias das súas investigacións. A aparición de "focos secundarios fóra do perímetro" doutros incendios creou "alarma social" ao pensar as testemuñas que distintas persoas estaban a prender lume en varios puntos O documento pon varios exemplos de como se espallaba o lume: o incendio nunha casa en Freixeiro de Alcabre por unha partícula incendiaria transportada polo aire; os focos da avenida Europa, provocados tamén por estas partículas, "algo corroborado pola existencia de restos de eucalipto e de piñeiro na zona, onde non existe este tipo de vexetación"; ou os de Matamá e Santo André de Comesaña, tamén moi próximos a outra fronte pero separados e causados por follas incandescentes que chegaban voando. "Houbo infinidade de informacións non contrastadas que derivaron en rumores e malos entendidos que xeraron unha forte e estendida alarma social e pánico" A situación, con partículas de lume provocando focos en varios puntos, "xerou unha alarma que se ía estendendo á vez que a nube de fume cubría a cidade", conta a Fiscalía, que constata "unha infinidade de informacións non contrastadas que derivaron en rumores e malos entendidos que xeraron unha forte e estendida alarma social e pánico". "Están bordeando o homicidio", dicía Feijóo naquelas horas nas que o lume asolaba zonas urbanas como a de Vigo. O fume dos incendios cobre a cidade de Vigo, rodeada polo lume / CC BY-NC-SA GzContrainfo As forzas de seguridade chegaron a "comprobar todas as chamadas e manter entrevistas persoais" con todos aqueles veciños que chamaron advertindo de persoas incendiarias, pero "ningún deles puido afirmar que vise alguén prendendo lume". "Máis ben expresaron as súas sospeitas sobre a posibilidade de que así fose", din. Igual ocorreu no caso dos máis de 50 correos electrónicos recibidos, que eran "máis opinións que informacións". Por que iso? Porque "a opinión xeral era que o lume aparecía en distintos puntos do monte, por sorpresa, sen que se vise nada máis no momento de aparición dos focos". A partir de aí, como indica o informe, "foron estendéndose polas redes sociais e demais medios de difusión particulares certos rumores e boatos non confirmados". A Fiscalía advirte da "utilización e influencia das redes sociais na conciencia colectiva" á hora de estender rumores sobre os incendios A Fiscalía encárgase de desmontar todos aqueles rumores e chega a reparar na "utilización e a influencia das redes sociais na conciencia colectiva". E advirte de que o "tratamento dos datos, informacións, rumores, feitos ou indicios ten na rede, e o que iso significa á hora de afrontar unha catástrofe desta natureza, ten unhas consecuencias que sen dúbida cumprirá analizar dunha maneira máis profunda e seguramente noutro foro que non é este informe de incendios". Nin había unha parella en moto incendiando montes, nin grupos organizados, nin bengalas que causaran lume Así, aquel home que supostamente percorría os lugares incendiados para avivar o lume era, en realidade e logo das investigacións, unha persoa que acudía aos incendios móbil en man para gravalos e subir as imaxes en directo ao Facebook. Outros tres cidadáns que foran acusados de ter relación con algúns focos "só colaboraban en labores de extinción". E as bengalas localizadas nunha zona de matogueira xunto a unha casa afectada en Fragoselo "estaban intactas e limpas", mentres que outra aparecida nun monte era "en realidade unha bomba de palenque que, polo seu estado de conservación, descártase como elemento iniciador dos fogos". Outro dos boatos máis difundidos, mesmo mediante mensaxes a través de grupos de whatsapp, foi aquel que facía mención á presenza dunha parella de persoas novas que circulaba nunha moto portando unha garrafa de gasolina e que serían as responsables da aparición de lume na cidade. Incluso se difundira a matrícula do vehículo. Unha vez localizadas pola policía, as dúas persoas "afirmaron que era certo que se moveron por Vigo portando unha garrafa que contiña gasoil, pero que a intención era levarlla a unha amiga que tiña un coche co depósito baleiro nunha zona afectada polo lume e que pretendía poñelo a salvo". Tampouco tiña relación cos incendios aquela parella que colgara unha foto difundida polas redes sociais cunha candea. Ante os comentarios vertidos nas redes sociais, eles mesmos "decidiron presentarse en comisaría, onde deron as oportunas explicacións.". Era un xogo que nada tiña que ver coa vaga de lume, aclara a Fiscalía. Nin ningún deses rumores chegou a confirmarse nin os investigadores detectaron nas zonas dos diferentes focos "a presenza de substancias iniciadoras ou acelerantes do lume". "Tanto das manifestacións das testemuñas como do resultado das inspeccións técnicas realizadas nos distintos focos detectados, todo indica como máis plausible a propagación dos incendios o desprazamento polo aire de restos incendiados procedentes doutros focos preexistentes fóra da demarcación, que unha vez depositados no chan sobre restos vexetais secos prendían de maneira natural, ao que colaboraban de maneira destacada as inusuais circunstancias climatolóxicas que coincidiron ese día", explica o informe, que desbota tramas, organizacións terroristas, coordinación ou mesmo actos vandálicos ou imprudencias naquela fatídica noite en Vigo. |
NOS_28265 | O groso do filme componse de gravacións caseiras filmadas polo propio Gonzalo e a súa contorna, pero tamén hai animacións 2D, secuencias realizadas por Noemí Chantada ou a impagábel presenza de Paula Cons na produción e asistencia de dirección. | Cando Gonzalo Suárez comezou estudar cinema, non imaxinaba que a súa ópera prima acabase sendo un documental autobiográfico que tardaría case quince anos en ver a luz. Pero, quen podía prever que subiría ao coche equivocado? A Cero.5 / Gonzalo Suárez Garayo / Galiza / 2021 / 78 min. / En Filmin O 12 de novembro de 2006 mudou a vida de Gonzalo Suárez para sempre. Gonzalo rematara xa os estudos de cinema en Madrid e albiscaba un futuro incerto, pero cheo de ilusión por se converter en cineasta, a súa gran paixón. Ese día sube un coche que sofre un fatídico accidente de circulación deixándoo prostrado nunha cama dun hospital de Valladolid. Diagnóstico: lesión medular. Deixa de ter mobilidade nas pernas. Ao pouco de ingresar no hospital, Gonzalo pide unha cámara de vídeo e comeza filmar desde a cama do hospital. Aínda non ten moi claro con que fin. Seica un pouco por terapia, un pouco por esa obsesión herdada de seu pai, que adoitaba filmalo todo. Gonzalo tamén o filma todo, coma seu pai. Da cama pasa á cadeira de rodas. Nunca deixa de filmar, pero agora faino a cero.5 metros do chan. De regreso a Vigo, a súa vila natal, comeza afrontar a nova situación. Topa con Pablo Beiro, presidente e fundador da Asociación de Minusválidos Físicos de Vigo (AMFIV), que lle propón probar un adestramento co equipo de baloncesto. Gonzalo acepta. Non é moi bo, pero decide seguir adestrando con eles. Por vez primeira, desde o accidente, Gonzalo séntese integrado e cunha actividade que lle motiva. Mais axiña se decata de que o AMFIV está na elite do baloncesto en cadeira de rodas e el non conta nin coas condición físicas nin mentais para soportar o alto nivel exixido. O groso do filme componse de gravacións caseiras filmadas polo propio Gonzalo e a súa contorna, pero tamén hai animacións 2D, secuencias realizadas por Noemí Chantada (atención ao plano cenital da piscina) ou a impagábel presenza de Paula Cons na produción e asistencia de dirección. A cero.5 non é un documental arredor da superación, nin sequera se trata dunha biografía do propio Gonzalo Suárez, aínda que o pareza. A cero.5 parte da verdade máis xenerosa dun Gonzalo Suárez que se ispe fronte a cámara, de maneira literal, para compartir as súas reflexións máis sinceras desde o seu forzado novo punto de vista. Un documental arredor da adaptación, o fracaso, a obsesión, a aceptación e o desapego. Un proceso de reconstrución cheo de verdade e emoción que descobre o mundo do baloncesto en cadeira de rodas e a un talentoso cineasta que demostra que unha historia ben contada non precisa de artificios. |
NOS_53010 | Entre os documentos que se facilitan nesta edición figuran varios certamente curiosos, pois ademais de tratar casos da vida cotiá tamén se certifican dotes de casamento, episodios de violencia de xénero e incluso anulacións de supostos acordos matrimoniais, algúns con advertencias de levar a cabo procedementos xudiciais. Ana Cabaleiro, Miro Casabella, María e Héctor Cajaraville son varias das persoas do eido da cultura que usan os apelidos traídos até estas liñas. | Non menos de cinco milleiros de persoas empregan na Galiza o apelido Cabaleiro e constitúen unha parte bastante reducida as que o teñen aínda en castelán. Concéntrase, sobre todo, nos concellos de Vigo, Redondela, Salceda de Caselas, O Porriño, Mos, A Coruña, Lugo, Pontevedra, Bueu etc. Se excluímos a toponimia menor, entidades de poboación con este nome localízanse en San Martiño de Barreiros (Gondomar) e San Martiño de Grou (Lobeira) así como a forma Cabaleiros en Santo Estevo de Medín (O Pino). Os Cabaleiros é unha entidade de poboación de Santa María de Bretaña (A Pastoriza), A Ponte dos Cabaleiros sitúase en Santa María de Arbo e Rabiáns dos Cabaleiros en San Xiao de Vea (A Estrada). Ademais existen dúas freguesías con ese nome: San Xián de Cabaleiros (Tordoia) e Santa María Madalena de Neira dos Cabaleiros (Láncara). Se ben non podemos ignorar que a persoa portadora do apelido puidese acadalo mercé ao alcume ou oficio dun seu antepasado, unha gran parte das que o usan teríano adquirido por evidente relación toponímica. Por outra banda, non esquezamos a vacilación do –s plural dos topónimos, pois, aínda que xeralmente se transmiten cara á persoa portadora en singular, tamén as houbo apelidadas en plural. Curiosa é a denominación dun tal Pedro de Cabaleiras que se rexistra nun texto de 1623 procedente dos fondos do marquesado de Mos. Ese "apelido" viríalle, quizais, por un lugar denominado Cabaleiras, como aquel que existe en Santiago de Loureiro (Cotobade). Porén, ese texto depositado no Arquivo da Deputación de Pontevedra indica que os bens concedidos en enfiteuse fican no partido de Chantada. Por outra banda, a vinculación territorial do antropónimo maniféstase moitas veces ao carrexar o usuario, entre o nome e apelido, a preposición "de". Curiosa é a denominación dun tal Pedro de Cabaleiras que se rexistra nun texto de 1623 procedente dos fondos do marquesado de Mos Segundo a documentación da cidade de Ourense, por 1434 aparece como procurador "Rodrigo Cabaleiro, para que posa demandar" os bens de "Biatris Gonçalves, filla de Joan Gonçalves, çapateiro, et de Maria Dona" que fican no arcebispado de Santiago. Recóllese este apuntamento no Libro de notas de Álvaro Afonso que estuda e transcribe Anselmo López Carreira. Que conste que desde o medievo e nos primeiros séculos da Idade Moderna é habitual que, de se apelidar un home Cabaleiro, lle transmita a algunha das súas fillas ese apelido, mais ela usarao se cadra na forma feminina tras a flexión do morfema de xénero. Este feito tamén se dá entre os membros dun matrimonio. De aí que no século XVI unha María Cabaleira sexa dona de Pedro Cabaleiro. Mulleres con este apelido (na forma feminina), segundo a documentación histórica son, por exemplo: Dominga Cabaleira, que aparece nun texto de 1574 ("aforo e doy en aforamiento a bos, Gonçaluo Bello, bezino de la felegresía de Santa Marina de Beyra... e a Dominga Cabaleira, vuestra muger, ausente") e María Cabaleira, que se manifesta por 1551. Significativo é un texto sobre dela pois, portando ese apelido, certifica a vinculación toponímica. Reza así o documento: "(...) sepan quantos esta carta de aforamiento vieren como nós, dona Ynés de Sotomayor, prioresa del monasterio de Santa María de Belbís (...) aforamos e damos en aforamiento (...) a vos Pero Castellano, vecino de la felegresía de San Giao dos Cabaleiros, que estais presente, y a María Cabaleira, vuestra muger (...) el lugar e casal que se dize de Castrillón, syto en la dicha felegresía de San Giao dos Cabaleiros (...)". Na actualidade, a versión feminina de tal apelido pódese dar por extinta. Os últimos documentos que posuímos sobre dela son, concretamente, o rexistro nos libros de nacementos do Concello de Santiago de Compostela dun meniño, de nome Manuel, cuxa avoa materna –de Santa Baia de Arca– se chamaba Paula Cabaleira. O asento leva data do 5 de agosto de 1858. E de sete anos máis tarde será outro no que se dá conta do nacemento de "Teresa Gregoria", filla de Dolores Cabaleira (natural de Chapela) e neta materna de José Cabaleira (de San Salvador de Teis). Carmoega, segundo Luz Méndez, podería derivar do sintagma 'Cas(a) (de/da) Moega' Entre os persoeiros deste século e o anterior consideramos oportuno citar Ramón Pérez Cabaleiro, concelleiro pola Fronte Popular e tenente de alcalde do Porriño en 1936, asasinado tras o golpe militar o 1 de setembro dese ano. Autora de Deixádenos remar (2021) é a escritora natural de Saídres (no concello de Silleda) Ana Cabaleiro, premio García Barros pola novela As ramonas (2018). A única parroquia en toda Galiza denominada Carmoega fica no municipio de Agolada. Daquela é indubidábel que nesa xeografía xorde o apelido toponímico homónimo, ese que na actualidade só usan unhas 365 persoas, ben na forma normativa galega –que é a maioritaria–, ben na forma Carmueja na que se subliña o efecto da gheada. A etimoloxía, segundo Luz Méndez, é discutida por distintas persoas entendidas na materia, mais achega que podería derivar do sintagma Cas(a) (de/da) Moega. O antropónimo 'Kagido', derivado no topónimo 'Caxide', asígnalles apelido a unhas 750 persoas Na diplomática medieval cítase a parroquia de San Pedro de Carmoega, nomeadamente na confirmación do feudo da fortaleza de Borraxeiros e da súa contorna. O pergameo, conservado no AHDS e transcrito por Ángel Rodríguez González, leva data do 12 de novembro de 1448. Por outra banda, de 1567 é a carta de dote que o mercador Miguel Tibante outorga á súa filla Violante Álvarez para que case con Pedro de Prado. Entre o rico patrimonio cítase "el paço de Guiaral, sito en la felegresía de San Salbador de Camanço (...) y el lugar de Nobeledo y el lugar de Carmohega". Bastante musical resulta o seguinte apelido, pois úsao un dos mellores cantautores galegos. Estoume a referir a Miro Casabella, relacionado polos anos sesenta coa Nova Cançó catalá e membro de Voces Ceibes. Son algo así como 19 concellos galegos que os teñen algunha entidade de poboación co nome de Casavella, entre eles os de Abadín, A Cañiza, Cedeira, Cerdido etc. Todos, obviamente, o escriben de xeito normativo; mais no que afecta ao apelido unicamente sabemos que ao redor de medio milleiro de persoas o usan nas formas Casabella e Casavieja. Esta última variante, castelanizada, fica en Castro de Rei, e a outra, en Alfoz, Xove, Ourol, O Valadouro, Viveiro, Cervo, Burela, O Vicedo, Mondoñedo, Foz, Abadín etc. O apelido con "v" certifícase nun texto de anulación de compromiso matrimonial que leva data do 28 de xullo de 1525 e comeza así: "Yn dey nomine, amén, sepan quantos esta carta de poder vieren como yo, Mayor da Casavella, hija de Gómez da Casavella, defunto, que aya gloria, digo que por quanto a mý notiçia hes venyda que Juan Romeu, O Novo, vezino de Sant'André de Voymente, que hes en el conçejo de Vivero, se anda axantado e alavando que hes my marido, que algunas palabras de matrimonio oviese entre él e mi pasado lo que no sé (...), devemos de ser apartados y qualesquier palabras o obra de matrimonyo dado por mutuo, y devemos ser dados por libres el uno del otro, para que cada uno se pueda casar e hazer su voluntad (...). Otorgo todo (...) mi poder (...) a vós, Gómez da Casavella, e Juan da Casavella e a Pero Molinero, vecinos del concejo de Vibero (...) para que por mý (...) podays querellarvos del dicho Juan Romeu de lo que ansý anda deziendo e publicando, para que podays pedir e pidays separaçión del dicho matrimonyo". En relación co apelido Caxaraville, este gráfase nun documento do 16 de febreiro de 1520, pois o carniceiro compostelán Xoán Trigo arréndalle a "Gonçalo de Caxaraville, de la felegresía de Santa Marina de Ramylle" (Agolada) certo lugar desa parroquia. Evidentemente o apelido procederalle a Gonzalo por téreno feito como propio os seus antepasados, os cales –quizais– deberon ser orixinarios da única entidade de poboación que leva ese nome na freguesía de San Miguel de Sarandón (Vedra). Caxaraville, como lugar, reflíctese nun pergameo do 2 de xullo de 1364 no que se anuncia que "Pero Eanns, dito Gatino, rendeiro, morador en Santiago" toma posesión en mans de "Nuno Peres, clérigo e moordomo na dita felegresía" de San Miguel de Sarandón, das casas e chantados de "Casdansula, e en Viñaes, e enna Silva, e en Trasfontao, e en Sarandons e en Cascheriville, que son na dita filigresía". Este interesante texto consérvase nos fondos da Fundación Penzol. Na actualidade preto de 600 persoas apelídanse así e localízanse nas terras de Padrón, Teo, Dodro, Pontecesures, Vedra, Boqueixón, Rois, A Estrada... Entre as persoas que o usan ou usaron podemos citar a programadora cultural María Cajaraville, a José Cajaraville (director do semanario El Amigo del Pueblo, órgano do Centro Republicano de Santiago de Compostela) e o escritor Héctor Cajaraville, Premio Merlín de literatura infantil en 2018. Este autor achega, nunha súa publicación, que Caxaraville é un topónimo procedente dun antropónimo latino en xenitivo. A primeira parte do mesmo vén de casar e a segunda do nome propio Alibius. Na Onomástica persoal do Noroeste Hispano, Eligio Rivas informa de que Kagilda ou Cagilda é o nome dunha galega xa documentada polo ano 745. O seu masculino, Kagido, segundo o autor, rexístrase ao pé do mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil en 1012. Tanto é así que ese templo figura na freguesía de Santa Cristina de Caxide. Lugares con este nome localízanse en San Bieito de Gondomar (no concello homónimo), San Facundo de Busto (Lalín), San Fins de Lois (Ribadumia), San Martiño de Asperelo (Rodeiro) e San Xoán de Larazo (Vila de Cruces). O antropónimo Kagido, derivado no topónimo Caxide, asígnalles apelido a unhas 750 persoas, quer coa forma Cajide quer como Cagide. Con "x" figura nun documento do 5 de xuño de 1523, pois unha muller chamada "Mayor de Caxide" xunto co seu marido, Afonso de Mira (veciños de Santa María de Rus), adquiren certas herdades de "Martín Caniñas". Queremos traer até aquí outro texto curioso, no que ademais se trata un caso de violencia de xénero, no que unha das persoas ten o nome de María de Caxide. O orixinal, datado a 23 de agosto de 1607, sinala que a compostelá "Andresa de Bilarino, muger de Alonso Blanco (...) se abía querellado de Pedro das Nogueyras y María de Caxide (...)". Esta última, que era tía da demandante, "parese le avían llamado puta desbergonzada y el dicho Pedro das Nogueyras le avía dado de palos y otras cosas, de que avían dado ynformación y estavan presos". |
NOS_46366 | A Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas (APCS) fecha o mes de xullo facendo balance do primeiro ano de implantación do Plan Galego de Saúde Mental aprobado pola Xunta na recta final da anterior lexislatura. 'Nós Diario' entrevista a Mariano Carrero Moure, vicepresidente da entidade, para coñecer os detalles da súa posta en marcha. | -Que balance fai do primeiro ano do Plan de Saúde Mental da Galiza Poscovid 2020-2024? O que vimos observando nestes meses é arbitrariedade na implementación e falta de planificación. As decisións veñen dadas, e chegan a nós sen consulta previa, cando se trata de accións e intervencións de atención psicolóxica que nos correspondería a nós programar e desenvolver. Hai moi pouca reflexión e moita improvisación. É todo moi errático. E vese nos diferentes ritmos de contratación, que afectan de distinta maneira a unhas áreas e a outras, mais tamén na aplicación dos programas a desenvolver. Moitas das incorporacións que se fixeron foron destinadas directamente a reducir listas de espera ou a visitar distintas unidades e centros de saúde en días alternos, sen criterio, convertidas nunha especie de apagalumes, a maior parte das veces en servizos de saúde mental absolutamente saturados. As esperas chegan a alcanzar os nove meses, algunhas revisións, dous, para unha sesión de 15 ou 20 minutos. Esta sobrecarga, ademais de non permitir tratamentos psicolóxicos de calidade tamén contribúe ao desgaste do persoal, que ve como programas específicos, como o de prevención do suicidio, se emprega nuns casos como unha sorte de vía rápida cara as unidades de saúde mental mentres noutras áreas se está a dotar dos profesionais adecuados. -O incremento do número de especialistas en Psicoloxía Clínica previsto no plan é suficiente para atender a demanda real e as necesidades das persoas usuarias? Galiza acumula un atraso histórico en materia de saúde mental, en particular en dotación de recursos e de psicólogos clínicos dentro do sistema de saúde mental. A parálise afianzouse na última década. En 10 anos apenas se realizaron contratacións. Polo tanto partiamos dunha situación tremendamente precaria. O Plan de Saúde Mental da Galiza, que xa estaba pensado antes da pandemia, reformulouse tras a aparición da Covid. Contempla a contratación de máis de 40 psicólogos clínicos, dos cales, xa se incorporaron perto da metade. Malia representar un avance indubidábel, seguimos estando moi por debaixo dos estándares mínimos de calidade e de acceso da poboación á psicoloxía clínica. A media europea é de 18 psicólogos clínicos por 100.000 habitantes. En España esa media é moi inferior, e na Galiza, máis. Non chegamos aos catro, un número totalmente insuficiente. E as contratacións non abondan. Son un avance pero non compensan o atraso que supón que a saúde mental estivese sempre á cola do sistema público de saúde. -A ineficacia e a lixeireza que denuncian ten que ver tamén, din, cunha falta de autonomía crónica. É un problema que arrastramos de vello. Os psicólogos clínicos somos especialistas con todo o recoñecemento e condicións iguais a respecto doutros facultativos especialistas, pero a efectos prácticos acusamos unha dependencia funcional e estrutural dos servizos de Psiquiatría dos hospitais públicos. Os postos de xefatura de sección, de servizo ou coordinación están vetados de maneira incomprensíbel para os psicólogos clínicos. Esta posición xerárquica representa un obstáculo para o noso traballo e, sobre todo, para poder levar a cabo intervencións adecuadas, interdisciplinares e eficientes. Neste sentido urxe unha estrutura organizativa propia que coordine de maneira eficaz os profesionais da Psicoloxía Clínica co fin de facilitar a busca de programas de intervención como teñen o resto de especialidades. Ademais, os psicólogos clínicos non só atendemos trastornos mentais. Cada vez máis reclaman a nosa atención desde outros ámbitos: reprodución asistida, morte perinatal, coidados paliativos, psicooncoloxía, unidade da dor, persoas trans, lesionados medulares, atención temperá, rehabilitación neuropsicolóxica. A demanda é maior, por iso temos que poder chegar de maneira máis transversal ás necesidades de atención psicolóxica da poboación. -A pandemia contribuíu a mudar esas necesidades e a incrementar a demanda? Si, un bo exemplo témolo no ámbito da saúde mental infanto-xuvenil. A Covid está a aumentar o número de casos e a demanda de atención. En xeral, o confinamento adiou as consultas, mais agora estase a ver unha suba da intensidade dos problemas. Autolesións, trastornos da conduta alimentaria e trastornos ansioso-depresivos cunha clínica máis aguda. Mais o acceso aos recursos de saúde mental é desigual. Case sempre se concentran en núcleos urbanos e zonas próximas aos hospitais, deixando sen opcións as persoas do rural e tamén as que atravesan maior precariedade, onde as dificultades adoitan ser superiores. |
NOS_49994 | O sindicato lembra que estes directivos, embora a súa responsabilidade na xestión, recibiron xa indemnizacións millonarias | O pasado 27 de abril a CIG-Banca solicitaba a convocatoria urxente da comisión negociadora para a integración dos plans de pensións de Caixa Galicia e Caixanova, que finalmente foi convocada pola empresa para o 9 de maio. Nesa xuntanza, CIG-Banca defenderá chegar a un acordo, sen máis dilacións, por entender que adiar a negociación de integración dos plans de pensións pode levar á súa transformación nun fondo interno, perdendo dereitos. Ademais, proporá reducir a prestación con cargo ao plan de pensións aos ex directivos a un euro. A CIG-Banca entende que a posíbel absorción por un banco que teña internos os compromisos en materia de previsión social (Grupo Santander), sen que tivermos un acordo en novagalicia que garanta a existencia dos Plans de Pensións, "sería entregarnos atados de pés e mans". Na propia comisión negociadora, e tras coñecer a noticia de que os ex-directivos que recibiron indemnizacións multimillonarias poderían percibir prestacións que, segundo algúns medios, chegarían aos 33 millóns de euros, CIG-Banca proporá reducir a prestación con cargo ao plan de pensións que lle correspondería a estes directivos a 1 euro. "Unha proposta que pensamos ten toda a lexitimidade e que ten amparo legal", explican. Lembran que estes ex directivos están sendo investigados por anticorrupción, tras a denuncia da CIG, que ten citado para final de mes a varios vogais dos Consellos de Administración das antigas Caixas. De se aprobar esa proposta por parte da empresa e dos outros sindicatos, CIG-Banca entende que non sería preciso levar adiante o recorte das achegas pactado no ERE III para o conxunto dos traballadores e traballadoras da entidade. |
NOS_42557 | Xesús A. López Pintos pasou a noite na Comisaría e a primeira hora da mañá pasa a disposición xudicial. Máis de 300 traballadores do Naval protestaron no acto de incio de campaña do PP en Ferrol pola responsabilidade deste partido na situación do sector. | A protesta do naval no inicio de campaña do PP en Ferrol finalizou con varios traballadores feridos polas cargas policiais e a detención do secretario comarcal da CIG, López Pintos, que recibeu un forte golpe na cabeza na intervención policial. Horas despois de que o PP tentase prohibir, sen éxito, as manifestacións da CIG contra as políticas antisociais de Xunta e estado; uns 300 traballadores do naval concentráronse perante o hotel onde os populares iniciaban en Ferrol a canpaña electoral. Os concentrados reclamaban a construción do dique flotante, que garantiría dous anos de carga de traballo para os estaleiros de Ferrol, e explicacións sobre o caso Pemex. Até o lugar se desprazaron dotacións da policiía nacional e local. Afirmaban que a súa intención era escoltar os participantes no acto do PP, entre eles o alcalde de Ferrol e o presidente da Deputación da Coruña. Mais a súa presenza derivou en altercados e caras contra os operarios, feridos varios deles e detendo o secretario comarcal a CIG. López Pintos, segundo informan na CIG de Ferrol, pasou a noite en comisaría e esta mañá sería posto a disposición xudicial. Manifestación masiva Pola volta de 3.000 operarios do naval de Ferrol sairon á rúa na mañá da quinta para exixiren carga de traballo para os estaleiros e explicacións sobre o caso Pemex. Os traballadores, que partiron en manifestación e protagonizaron un paro de dúas horas, procederon a cortar o tráfico rodado en puntos da cidade como a Avenida do Esteiro. Posteriormente, e fronte ao edificio de Facenda, procederon a facer unha queima simbólica do documento de orzamentos xerais do estado para denunciar a ausencia de partidas específicas para o sector. Os traballadores reclaman que as administracións se comprometan xa a que en Ferrol se constrúa un dique flotante, o que garantiría carga de traballo alén de dotar á cidade dunha ferramenta de importancia para seren competitiva na construción naval. |
NOS_51441 | Organiza a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa área de cultura do Concello de Lugo. Terán lugar durante as mañás dos sábados 14, 21 e 28 de novembro, e o 5 de decembro. | A concelleira de Cultura, Turismo e Promocion da Lingua de Lugo, Maite Ferreiro, presentou onte o programa de roteiros literarios que organiza a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega durante as mañás dos sábados 14, 21 e 28 de novembro, e o 5 de decembro. "Trátase dunha nova actividade cultural segura coa que coñeceremos os distintos puntos de Lugo da man de autoras e autores locais", explicou en rolda de prensa. As actividades son de balde, mais por mor das restricións e protocolos sanitarios a cabida de cada unha estará limitada a 5 persoas. A inscrición deberá realizarse previamente mediante correo electrónico. Ademais, durante os distintos percorridos será preciso cumprir coa distancia de seguridade e o uso de máscaras. "Eis umha flor para o lume e o mar" é o título escollido para o roteiro a cargo de María Casar, este sábado ás 12 horas. Estará centrado na figura de Ricardo Carvalho Calero, coa memoria como chave fundamental para nos mergullar na obra poética do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2020. Percorreranse diferentes lugares que el transitou habitualmente, coa lectura de poemas e textos seus que internan nunha época marcada pola represión. O roteiro das "Letras Violetas" decorrerá o 21 de novembro da man de Luz Darriba a través das creacións dunha serie de autoras vencelladas á cidade, desde a propia Rosalía de Castro, que dá nome ao parque no que comezará a actividade, até Marica Campo, poeta, articulista, novelista infantil e xuvenil que viviu moi perto deste lugar. Tareixa Campo, Carmen Blanco ou Adela Figueroa serán outras das protagonistas neste encontro coa literatura. Antonio Reigosa fará unha achega o 28 de novembro á relación entre "A Xeración Nós e Lugo". Se ben a colaboración de nomes lucenses na nómina do boletín non semella moi destacada, unha ollada máis detida levaranos a personalidades como Bal y Gay, Ánxel Fole, Correa Calderón, Villar Ponte, Lois Peña Novo, Fernández del Riego, Aquilino Iglesia Alvariño, Noriega Varela ou Cunqueiro. Por último, María Reimóndez fará un roteiro arredor da súa novela As estacións do lobo, o 5 de decembro. A protagonista do texto é Clara, unha adestradora canina, mais tamén a cidade de Lugo. Por iso se propón un percorrido físico polos espazos e temáticas da obra. A andaina incluirá lecturas, intervencións e sorpresas para achegarse doutro modo á peza, que se integra de maneira global no "Ciclo dos elementos" de Reimóndez. |
NOS_47593 | A Federación Galega de Hostalaría (Hosfega) exixe abrir "xa" o ocio nocturno e equiparar os horarios dos negocios. | A ponte das Letras Galegas será un bo momento para comprobar se persisten as actitudes "irresponsábeis" dalgunhas persoas que, após a fin do Estado de alarma, obviaron moitas das restricións aínda vixentes. Así o cre a xunta directiva da Federación Galega de Hostalaría (Hosfega), que onte remitiu un comunicado no que pide "responsabilidade" á poboación nesta fin de semana, ao tempo que empraza a Xunta a reconsiderar algunhas das medidas propostas para o sector. Neste senso, a presidenta da Hosfega, Elena Vitoria Alonso, incidiu a Nós Diario na necesidade de "unificar criterios" para que non suceda "que haxa unha capacidade na Coruña e outra en Pontevedra, ou que un Concello pida uns metros cadrados para os baños e outro reclame outra cifra distinta, cando somos empresas que temos todas as mesmas obrigas". Xunto a este "caos", a directiva tamén defende o papel de control que exerce a hostalaría fronte a situacións como as vividas a pasada fin de semana. "O descontrol, ademais de pór de relevancia a estupidez humana, tamén pon a necesidade de que abra o ocio nocturno, mais xa!" Na mesma liña, exixe á Xunta unificar os criterios de apertura dos distintos negocios para que os locais de tapas tamén poidan abrir até a unha da madrugada. Simplificar os trámites Outra das reivindicacións da federación, que agrupa 14 asociacións con máis de 4.000 negocios representados, é dotar de "máis claridade" as normativas, xa que, denuncian, "logo recibimos chamadas de socios que non acaban de entender cuestións que non son claras, cuestións facilmente sancionábeis cando, ademais, estamos tremendamente controlados. De aí que debamos telas claras desde o minuto un". Piden tamén "que se nos dea máis tempo cada vez que hai un cambio de normativa, porque á xente hai que sacala do ERTE". Neste senso, a presidenta de Hosfega recoñece que "non é fácil" lidar constantemente con dogas (en alusión ao Diario Oficial da Galiza), normativas e asesorías, "cos sobrecustos que xeran as xestións extraordinarias", lembra a directiva. Sector golpeado Pese ao acontecido após a fin do estado de alarma, Elena Vitoria Alonso afirma que "nos nosos locais non temos medo de nada; imos operar como o facemos cada día. O medo é que o que pasa na rúa golpéanos a nós. Esbirra un en Curtis e fechan a hostalaría na Guarda. Vémonos coa espada de Damocles de que, aínda facendo as cousas ben, cando hai descontrol quen paga é a hostalaría, e dá medo". Por iso exixen "moito maior control sobre a rúa". Recorda que a normativa impide beber na rúa. Pois que se cumpra!", di. A situación é tan delicada que non se atreven a facer plans. "Sacas alguén do ERTE cunha cautela extraordinaria, porque non sabes se imos ter que volver atrás. Sentímonos como palilleiras facendo encaixe", lamenta. "Temos berrado, saído á rúa, camiñado até Madrid, acudido aos tribunais... máis non podemos facer. Só nos queda que os demais tamén fagan a súa parte e agardar que a situación empece a disiparse", conclúe. |
NOS_39237 | Nun comunicado asinado polo deputado Raúl Fernández, o PSdeG afirma que a Xunta de Galiza adebeda máis de 20 millóns de euros ás empresas de transporte escolar. O motivo? Que desde 2013, o Goberno galego no actualiza o pagamento do IPC ás concesionarias. | "Esta é unha práctica de dubidosa legalidade", asegura Fernández, "que pode poñer en perigo o equilibrio financeiro das empresas e que contradí o 'pronto pago a provedores' que 'vende' a Xunta". Anunciou, ademais, a presentación de iniciativas parlamentarias para esixir información. Tamén quere que o Consello de Contas emita un ditame sobre a situación concreta e "sobre a normativa que permite os aprazamentos do pago das actualizacións". O parlamentario socialista lembra que o IPC si foi actualizado para os contratos de transporte escolar en 2011 e 2012. Mais nese intre, a Xunta gobernada polo PP de Feixóo deixou de facelo. Nestes últimos exercicios, explica Raúl Fernández, a Xunta prorrogou os servizos de trasnsporte e incluí, a través das leis orzamentarias, unha disposición adicional adiando as actualización ata o ano 2017. O pasado ano, porén, o pago do IPC volveu ser adiado. Na Lei de Orzamentos de 2018 figura que as cantidades pendentes será abonadas en 2019 e 2020. Para os socialistas, isto é de "dubidosa legalidade". "Difire o pago coas cantidades xa debidas pola prestación destes servizos, prescinde do procedemento xeral establecido e modifica unilateralmente as condicións acordadas", engade. A débeda medra a cada ano que pasa. De momento, son máis de 20 millóns de euros. Segundo os datos de execución orzamentaria de 2017, a Xunta gasta cada ano en transporte escolar 115 millóns de euros. |
NOS_19608 | A débeda pública galega prepárase para chegar a outro máximo histórico en 2021. Após fechar 2020 cunha cantidade total de 11.551 millóns, o Goberno galego, no seu proxecto de orzamentos para o seguinte ano, agarda un endebedamento de 12.321 millóns. As previsións para 2021 continúan a tendencia da última década. | Adébeda pública non deixou de medrar na Galiza desde a chegada á presidencia da Xunta de Alberto Núñez Feixoo. Á volta de 2008 situouse en 3.954 millóns, representou 6,80% do Produto Interior Bruto (PIB) e significou unha carga para cada galego e galega de 1.429 euros. Doce anos máis tarde logrou 11.551 millóns, o que representa 19,50% do PIB, e anotou unha contía de 4.213 euros por habitante. Así as cousas, segundo os datos fornecidos polo Goberno galego na súa proposta de orzamentos para 2021, os Executivos de Núñez Feixoo xeraron na Galiza unha débeda de 7.957 millóns de euros. O aumento do endebedamento foi constante desde 2009. Mentres o Goberno bipartito de PSOE e BNG levou adiante unha importante redución do mesmo, nun contexto de ampliación do investimento social, pasándose dunha débeda pública de 7,4% de PIB no último ano da etapa de Manuel Fraga a 6,6% en 2007, a tendencia mudou radicalmente no período de Feixoo. O Goberno galego prevé que a débeda pública alcance os 12.321 millóns de euros Neste sentido, as subas máis importantes da serie histórica correspondéronse coas anualidades de 2011, 2012 e 2017, até marcar o seu máximo absoluto ao longo de 2020, tras certificar o maior aumento porcentual desde 2011. Caída do investimento social O aumento da débeda e do déficit público non estivo vinculado a políticas económicas expansivas, senón que se viu acompañado de recortes no sistema de benestar. Se os últimos orzamentos que elaborou o Goberno bipartito do PSOE e do BNG en 2009 achegaron aos servizos públicos 7.106 millóns, 66,4% do total do orzamento e 2.567 euros por habitante, a cifra baixou após nove anos a 6.830 millóns, o que significou unha rebaixa total de 266,5 millóns, unha caída porcentual de 2,6% e unha diminución do gasto por persoa de 36,17 euros. Os recortes deixáronse notar particularmente en Sanidade e Educación. En 2009, o Goberno galego destinou 2.443 millóns a Educación e 3.937 millóns a Sanidade, mentres que a liquidación orzamentaria provisional de 2018 sinalou un investimento de 2.262 millóns para a rede educativa e 3.858 millóns para o sistema sanitario, nun escenario onde o PIB galego en termos correntes foi claramente superior ao de 2009. De feito, o investimento sanitario na Galiza situouse no oitavo lugar do Estado nese ano, con 1.428 euros por habitante, por baixo da media estatal e moi lonxe de territorios como Euskadi, onde se situou en 1.734 euros. A técnica contábel permite ás autoridades galegas maquillar o alcance real da débeda. Un caso paradigmático disto acontece co hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, construído mediante a fórmula de colaboración público-privado e polo que o Goberno galego está obrigado a sufragar un canon anual até 2036 de 1.400 millóns de euros debido á obra. A Xunta adebeda, a maiores, 2.335 millóns por actuacións executadas mediante contratos de colaboración público-privada Para este 2021 a Xunta da Galiza debe facer fronte, por este concepto, a pagos de 141 millóns de euros, tendo sinalando o economista Albina Prado que pola "posta en servizo dun hospital público, como o Cunqueiro en Vigo, dentro dun edificio privado" supón un "alugueiro multimillonario" e o custo que representa "duplica o prezo de pagalo con débeda pública". As hipotecas da colaboración público-privada A Xunta da Galiza ten compromisos de pago por 2.335 millóns de euros até 2040 derivados de actuacións executadas mediante contratos de colaboración público-privado. Entre estes, atópanse, a maiores do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a autovía AG-56 Compostela-Brión, a autovía da Costa da Morte, a autovía AG-52 coa fronteira portuguesa os as vías rápidas do Salnés e O Barbanza. Porén, as obras realizadas por este procedemento non computan como débeda nos orzamentos galegos, polo que o economista e colaborador do suplemento "Producir" de Nós Diario, Joam Romero, advirte dunha débeda pública total de 14.515 millóns. "Supón unha débeda acumulada a finais de 2021 de 12.321 millóns", di, unha cantidade á que hai que sumar "os 2.194 millóns que nesa data ficarán pendentes de pagamento por contratos de colaboración público-privado". As perspectivas do Goberno galego non son optimistas para 2021. Segundo as previsións recollidas no Informe económico financeiro do proxecto de orzamentos de 2021 da Xunta da Galiza , "a débeda pública alcanzou o importe de 11.315 millóns de euros e está previsto que a finais do ano 2020 sexa de 11.551 millóns de euros, e para 2021 a previsión coherente co orzamento que se presenta é de que logre os 12.321 millóns de euros, que suporá un incremento da mesma de 770 millóns, os previstos na conta financeira dos orzamentos para 2021". Na mesma liña destaca que "a evolución da ratio débeda/PIB desde a última ratio anual informada polo Banco de España correspondente ao ano 2019, un 17,5%, aumenta 2,5 puntos" e "así en 2020 está previsto fechar cunha ratio de 19,5%". O pago dos intereses da débeda representa unha pesada carga nas contas galegas. En 2009 a Xunta da Galiza destinou 111 millóns a facer fronte ás súas obrigas financeiras e a contía aumentou a 143 millóns en 2020, malia teren descendido de maneira considerábel os xuros. Romero destaca, nesta liña, "a evolución á baixa dos xuros de referencia nos mercados financeiros desde hai mais dunha década e, loxicamente, a débeda nova se vai emitindo a xuros menores. Porén o principal da débeda segue a se incrementar". O modelo de financiamento como causa A débeda pública galega non se pode disociar do actual sistema de financiamento. Se a posición de Núñez Feixoo negándose a acudir nun primeiro momento ao Fondo de Liquidez Autonómico ou as dificultades xeradas pola situación derivada da gran recesión viñeron agudizar o problema, as razóns últimas da alza da débeda pública están ligadas a un modelo de financiamento que se ten demostrado insuficiente para asumir os custos dos servizos públicos esenciais na Galiza. Segundo os datos fornecidos polo economista e presidente da comisión de Economía do Parlamento da Galiza entre 1997 e 2005, Xosé Díaz, de 2009 a 2018 o Estado transferiu á Galiza, para atender os servizos públicos fundamentais, 15.086 millóns de euros menos do seu custo real. Así, en 2018, a última anualidade da que se dispón da liquidación orzamentaria, o valor da prestación destes servizos básicos ascendeu a 7.006 millóns de euros, mentres que o recibido do sistema de financiamento para esa finalidade foron 5.980 millóns de euros. Só nese exercicio, o desfase orzamentario situouse en 1.025 millóns de euros. As cifras referidas a 2018 non son unha excepción. Tomando como referencia as magnitudes de toda a serie histórica após a aprobación do actual modelo de financiamento en 2009, as transferencias do Estado para sufragar os custos dos servizos básicos colocáronse en todas as anualidades en 1.000 millóns por baixo da contía precisa para a súa prestación. Malia que este fenómeno se agudiza na última década, a insuficiencia orzamentaria vén de vello e pon o foco nun sistema de financiamento que garanta a suficiencia económica da Galiza. |
NOS_31252 | Constancia interna e traballo. Estas son, segundo Bieito Romero, as receitas que levaron Luar na Lubre a facer 30 anos. Conversamos co compositor e portavoz do grupo folc a poucos días de percorrer o Estado español, México e Portugal para dar a coñecer o último disco. Deixamos aquí un extracto da entrevista, que poder ler íntegra no Sermos Galiza 232. | Que pasou hai 30 anos? Como naceu Luar na Lubre? Eramos un grupo de amigos sen máis pretensión que facer música folc. Naquel momento era complicado, porque non era unha música recoñecida. A nós gustábanos e empezamos un pouco inspirados por esas correntes que nos chegaban doutros lugares, ou o que xa había no país, como Emilio Cao ou Milladoiro. Comezamos dunha maneira totalmente amateur. Ao ano seguinte de formarnos como grupo estivemos participando por primeira vez no Festival Intercéltico de Lorient na Bretaña, e ao pouco de voltar, gravamos o primeiro traballo, no ano 1988, que se titula O Son do Ar. Cal era a vosa idea? Criades que poderiades chegar a ser profesionais? Non, cando empezas cun proxecto destas características en ningún momento se che pasa pola cabeza, e sobre todo naquel tempo. Eramos rapaces moi novos e era un tempo no que esta música non estaba concibida como para ser profesional. As circunstancias, e sobre todo a constancia e o traballo, fixeron que o grupo fose medrando até o momento de tomar a decisión de facernos profesionais. Pero non, nun primeiro momento nin se nos pasaba pola cabeza esa posibilidade. Cantos membros quedades da formación orixinal? Do ano 1986 quedamos dúas persoas. De 1987 quedamos tres. O resto da xente foi entrando en diferentes períodos. Digamos que do principio quedamos tres persoas. Que se sente despois de celebrar os 30 anos como grupo? Tendo en conta os 18 álbums, as xiras, os premios que obtivestes e os dous discos de ouro. Séntese gratitude. A satisfacción de poder dicir que nestes intres podes dedicarte a isto con recoñecemento. un recoñecemento popular importante, unha agrupación como a nosa non tería posibilidade de resistencia. Hai un apoio popular que é o que realmente fai que Luar na Lubre siga vivo, e hai unha constancia interna e un traballo. A tenacidade de loitar, porque isto é unha loita do día a día. Non é nada fácil, hai moito traballo detrás de todo isto. Pero a gratitude de despois de 30 anos estar aí, e ver que a xente te apoia e que realmente o que fas serve… [Podes ler a entrevista enteira no Sermos Galiza 232, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_25788 | Malia que o seu chófer era testaferro do narcotraficante, o ex-conselleiro de Sanidade di que non coñecía a Dorado. De acreditarmos na súa versión, nos anos 90 nen o número 1 nen o 2 de Sanidade sabían quen era o connotado contrabandista sobre o que pairaban suspeitas de ser narcotraficante e branqueador de diñeiro, logo confirmadas. | Nin o conselleiro nin o daquela número dous de Sanidade (Alberto Núñez Feijóo) admiten que coñecían a que se dedicaba Marcial Dorado. Así o aseguraron ambos os dous ao longo desta semana e en repetidas ocasións. O presidente do Consello de Estado e ex-conselleiro de Sanidade, Romay Beccaría sinalou esta sexta feira que "tampouco coñecía a Dorado" nin sabía que existía un dos máis soados nomes do contrabando e o narcotráfico en Galiza. Romay Beccaría nega ter coñecemento das actividades delictuosas de Dorado nos '90 mais o seu chófer oficial era testaferro do narco En declaracións aos medios de comunicación, Beccaría defendeu a figura do presidente da Xunta --do que no seu momento foi padriño político-- e afirmou que el "tampouco coñecía" o arousán nin os negocios que este viña desenvolvendo. As afirmacións do popular contrastan cos feitos coñecidos após a publicación das fotografías de Dorado e Núñez Feijóo. Neste senso, o testaferro do narco (Manuel Cruz), o elo entre Dorado e Feijóo, foi durante anos chófer oficial do ex-conselleiro de Sanidade. Aliás, Marcial Dorado xa fora nos anos '90 imputado por delitos de narcotráfico e branqueo de capitais no decorrer da Operación Nécora. Acusacións que anos despois se confirmarían e rematarían por levar a prisión ao aurousán. As contas irregulares do Partido PopularEsta quinta feira os primeiros resultados tirados das investigacións xudiciais arredor da contabilidade do PP amosaban que o partido no goberno recibira durante 20 anos doazóns ilegais procedentes de empresas vinculadas á construción. O descubrimento viña a confirmar que os dados coñecidos após a publicación dos 'papeis de Bárcenas' eran certos ao existiren irregularidades na contabilidade popular. Romay Beccaría é até o momento o único tesoureiro do PP que non está imputado por delito de corrupción. Porén, o que foi responsábel das contas populares logo da saída de Bárcenas nunca puxo en coñecimento da xustiza a existencia de irregularidades na contabilidade do PP malia que, como se coñeceu, a primeira vista eran evidentes as doazóns ilegais percibidas durante dúas décadas. |
PRAZA_5710 | PP e PSdeG caen en máis de 400.000 votos nunhas eleccións europeas nas que irrompe con forza Podemos, que se sitúa como cuarta forza política no país. A suma da esquerda supera con clara vantaxe a dereita tras un duro golpe ao bipartidismo, tanto a nivel galego coma no conxunto do Estado, onde perde cinco millóns de votos. | O PP venceu nas eleccións europeas deste domingo en Galicia co 35,2% dos votos pero descendeu en case quince puntos o seu apoio con respecto aos últimos comicios europeos de 2009. Gaña o Partido Popular pero a esquerda, máis diseminada ca nunca, é maioritaria no país nunha xornada electoral na que a sorpresa foi Podemos, que acadou o 8,3% dos votos e situouse como cuarta lista máis votada por riba do BNG. O PP gaña as eleccións pero descende en 15 puntos e perde máis de 200.000 votosA dereita, sumándolle ao PP os votos de UPyD e VOX en Galicia, obtería menos do 40% dos votos, mentres que as principais forzas de esquerda (PSdeG, AGE, Podemos, BNG e Compromiso por Galicia) superarían o 48%. Xunto a Primavera Europea ou o Partido X, a esquerda superaría o 50% do apoio no país. Porque o PP perdeu máis de 200.000 votos en Galicia con respecto aos de 2009 nuns comicios, os de hoxe, nas que a participación foi algo máis alta á daquela. Situouse finalmente no país no 45,47% fronte á 43,34% de hai cinco anos, máis de dous puntos superior. Ademais, o PSdeG obtén o 21,7% de apoio, caendo case trece puntos con respecto á anterior convocatoria europea e perdendo preto de 200.000 votos, ao pasar dos máis de 400.000 de 2009 aos case 220.000 desta xornada. A caída do bipartidismo foi clara. A suma de PSdeG, AGE, Podemos e BNG en Galicia supera en 100.000 votos ao PPDe feito, a suma dos que agora serían as catro principais forzas progresistas (PSdeG, AGE, BNG e Podemos) sumarían en Galicia uns 488.000 votos, fronte aos menos de 355.000 do Partido Popular. Se o extrapolamos á actual representación parlamentaria, socialistas, Alternativa e Bloque tamén superarían o Partido Popular en 50.000 votos, ao superar os 400.000. Os resultados son positivos para a esquerda en global e para Podemos en particular, pero non tanto para o resto de forzas progresistas. O BNG perde algo máis dun punto porcentual de apoio, ao pasar do 9,08% ao 7,9%, déixase uns 25.000 votos con respecto ás últimas eleccións europeas e ve como Podemos o supera, aínda que os case 325.000 votos que obtivo a súa coalición con Bildu no conxunto do Estado permite a esta obter un representante na Eurocámara e que Ana Miranda poida sentar, cando menos un tempo, no Parlamento europeo. Lidia Senra e Ana Miranda estarán no Parlamento EuropeoTamén estará alí Lidia Senra. A representante de AGE na candidatura da Esquerda Plural, número cinco na lista estatal, entrará na Eurocámara ao obter a coalición liderada por IU seis escanos. En Galicia, Alternativa superou os 100.000 votos e volveu superar o Bloque, aínda que ve como se lle achega Podemos. A porcentaxe de voto a BNG e AGE cae lixeiramente con respecto ás autonómicas de 2012 tras a irrupción de PodemosA formación que a nivel estatal lidera Pablo Iglesias foi a gran sorpresa. E a súa irrupción afectou a todos. Se comparamos os resultados coas últimas eleccións autonómicas de 2012, na que a participación foi case vinte puntos superior, AGE perde 3,5 puntos no apoio, mentres que o BNG cae en algo máis de dous. O PSdeG medra un pouco, ao pasar do 20,5% dos votos ao 21,73%, mentres que o PP baixa dez puntos, do 45,7% ao 35,2%. Golpe ao bipartidismo, tamén no EstadoNo conxunto do Estado, o PP gañou as eleccións pero caeu a 16 escanos desde os 24 que tiña desde 2009, mentres que o PSOE pasou de 23 a 14. Entre os dous, perderon 17 escanos. A sorpresa, tamén a nivel estatal, deuna Podemos, que entrou na Eurocámara con cinco eurodeputados e situouse como cuarta forza política en número de votos. O golpe ao bipartidismo foi tal que entre populares e socialistas deixáronse máis de cinco millóns de votos en España. Cunha participación do 45,85%, fronte ao 44,9% de hai cinco anos, nin o PSOE nin o PP alcanzaron o 30% dos votos (26% o PP e 23% o PSOE). Con case o 100% escrutado, os dous grandes partidos sumaron menos do 50%, a porcentaxe maís baixa dunhas europeas e lonxe, moi lonxe, do 73,4% dos últimos comicios xerais. Esquerda Plural, onde se inclúe Anova, acadou o 10% dos apoios e pasa de dous a seis escanos, mentres que Podemos quedou preto do 8%. |
NOS_11749 | O vindeiro 14 de xuño, o dramaturgo Manuel Lourenzo será o protagonista dun acto no que se lemabrará a súa traxectoria e verán a luz as súas Obras Completas. O evento está organizado pola Fundación Galiza Cultura e a A.C. O Galo. | A Federación Galiza Cultura e a Agrupación Cultural O Galo (membro desa Federación) realizaranlle unha homenaxe ao autor, director, actor, produtor, editor e docente galego Manuel Lourenzo. O acto terá lugar no Salón Teatro de Compostela a vindeira terza feira 14 de xuño ás 19.30 horas. Desde a organización confirman que intervirán no evento a actriz Susana Dans e o actor Quico Cadaval; o director do Teatro Rosalía Castro da Coruña, Xosé Paulo Rodríguez; o director do Centro Dramático Galego, Francisco Núñez; e o presidente da Federación Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril. Porán a nota musical a Coral Solfa e o gaiteiro Brandán Lourenzo. O Macbeth de Manuel Lourenzo Durante o mesmo evento presentarase a Obra Completa do dramaturgo recentemente publicada por Galiza Cultura e da que fan parte sete tomos nos que se recompila toda a súa escrita. A edición e publicación consta de 300 pezas teatrais e só os catro primeiros volumes, presentados no mes de abril, xa recollen perto de 50 anos da produción teatral de Manuel Lourenzo. O dramaturgo, orixinario de Ferreira do Valadouro, participou como intérprete en numerosos audiovisuais, series de televisión e filmes. Tamén foi co-fundador da Escola Dramática Galega e dos seus Cadernos de Teatro, puxo en funcionamento e dirixiu o "Teatro Luis Seoane", no cal se representaron obras en galego de grandes autores internacionais, e recibiu os mais importantes premios do noso teatro e o que anualmente concede aos dramaturgos o Ministerio de Cultura do Estado español. "Un home de teatro en sentido amplo" A presidenta da A.C. O Galo, María Antonia Pérez, lembra que a súa entidade e o teatro galego sempre estiveron relacionadas, mesmo desde os seus inicios cando recadaron fondos que fixeron posíbel en 1963 a realización do Premio de Teatro Castelao, organizando a chamada "campaña do peso". O festival de teatro de Carballo recoñece a traxectoria de Manuel Lourenzo Explica a Nós Diario que Lourenzo foi "un home de teatro en sentido amplo" con múltiples facetas "desde a súa participación no Grupo Abrente de Ribadavia até a súa preocupación por defender os dereitos profesionais de toda a xente que traballaba no mundo do teatro". |
PRAZA_16123 | Sam Bartram foi un dos primeiros futbolistas modernos á hora de xestionar a súa imaxe. Diante del apareceu unha figura que avanzaba demasiado amodo para ser un dianteiro 'blue' | "Facía que unha parada fácil parecese das boas, que unha das boas parecese fabulosa e que unha das fabulosas parecese milagrosa". Así describía nos anos oitenta o Daily Mirror, con motivo do seu falecemento, ao lendario porteiro do Charlton Sam Bartram, un dos primeiros futbolistas modernos á hora de xestionar a súa imaxe. Con todo, a imaxe á que Bartram quedará sempre asociado é a daquel día en Stamford Bridge no que o resto dos xogadores marcharon do campo porque a néboa non deixaba ver o balón e el ficou só, debaixo dos paus, ata que lle pareceu sospeitoso tanto dominio na casa do Chelsea. Se son vostedes, coma servidor, persoas habituais nas gradas do fútbol infantil, terán vivido máis dunha vez a situación. Non me refiro á de algún impresentable berrándolle aos rapaces ou ao árbitro, un rapaz el mesmo, aínda que diso seguro que tamén. Falo deses partidos nos que un dos conxuntos é tan superior que o seu porteiro se aburre soberanamente. E, como é un neno, dedícase a facer o que debe: primeiro fala cos compañeiros que están no banco, logo cos parentes na grada, despois empeza a montarse películas nas que a rede é un campo de forza antigravitacional e finalmente acaba por deitarse na herba rezando para que remate tamaña torrada de partido. Bartram foi un dos primeiros futbolistas modernos á hora de xestionar a súa imaxe Algo así (sen campos de forza antigravitacionais) debeu de pasarlle a Bartram xogando na casa do Chelsea nos anos trinta. Na época era unha das estrelas do campionato inglés. De novo, traballando de mineiro e xogando nun equipo local, conseguiu un contrato co Charlton Athletic do sur de Londres. Alí permanecería nada menos que vinte e dúas temporadas; cousas do fútbol ese que tanto nos gusta e que por desgraza nunca volverá. Bartram era moi moderno noutra cousa: tiña unha innata capacidade para vender a súa imaxe e engadar os medios con historias. "Dous partidos nun día", titulaba o Daily Mirror cunha foto súa e da muller despois de que Bartram abandonase a súa voda en plena celebración para xogar un partido, por exemplo. Adiantado ao seu tempo, gustaba de regatear aos dianteiros rivais mesmo ata a área contraria, moitas veces con efectos catastróficos. Foi internacional varias veces e, de xeito natural, ao rematar a súa carreira púxose a traballar de reporteiro. Diante de Sam Bartram apareceu unha figura que avanzaba demasiado amodo para ser un dianteiro 'blue' Segundo conta na súa autobiografía, o día de Stamford Bridge unha néboa espesísima comezou a tomar o estadio, primeiro pola parte da meta local ata finalmente chegar á súa. O árbitro parou e reiniciou o xogo varias veces, e nunha destas, en plena racha de ataque do Charlton, a visibilidade fíxose nula. Bartram deixou de ver como os compañeiros apertaban ao Chelsea e, nun momento dado, mesmo parou de sentir o boureo propio dun partido de fútbol. Cousas da emoción do momento, debeu pensar. Despois duns minutos eternos, diante del apareceu unha figura que avanzaba demasiado amodo para ser un dianteiro blue. Era un policía, que, sorprendido ao ver o gardaredes aínda no posto, lle dixo: "Que carallo fas aquí? O partido suspendeuse hai un cuarto de hora e no campo xa non queda ninguén!". |
NOS_38360 | A empresa pública naval participou nun concurso para a Armada dos Estados Unidos de América que finalmente recaeu nunha compañía italiana. O contrato garantía a construción de dez fragatas e un barco base nun momento no que Navantia conta con pouca carga de traballo. | Os Estados Unidos de América dan as costas á empresa naval pública Navantia e seleccionan o proxecto da italiana Fincantieri para a construción de até dez fragatas a través do proxecto FFG(X), un contrato no que a compañía da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) depositara moitas esperanzas debido á falla de carga de traballo. A Armada americana deu a coñecer esta quinta feira ao gañador do concurso a través dun comunicado, no que detalla que opta polo modelo italiano. En concreto, a oferta gañadora foi a da Marinette Marine Corporation, unha empresa con sede no estado norteamericano de Wisconsin e que pertence a Fincantieiri desde 2009. O contrato contempla a construción de até dez fragatas para a US Navy nunha primeira fase, ademais dun barco base. Os buques están pensados para poder actuar en todo tipo de situacións bélicas e, tal e como apunta a Armada dos EUA poden "realizar operacións de guerra aérea, guerra antisubmarina, guerra de superficie, guerra electrónica e información". A este concurso, que se remonta ao 2017, Navantia presentouse en unión á empresa estadounidense General Dynamics, onde o sistema AEGIS, de orixe norteamericana, era unha dos avais para conseguir este contrato. A empresa pública dotou deste sistema aos buques construídos nos últimos anos, tanto aos da Armada Española, coas fragatas F-100, como os encargos para Noruega e Australia. Decisións militares Militares consultados por Europa Press estimaron que detrás desta resolución podería estar a decisión do Goberno español de retirar a fragata Méndez Núñez, con base en Ferrol, dun despregamento no que tiña previsto realizar a volta ao mundo como escolta do portaavións USS Abraham Lincoln. Hai case un ano, o 14 de maio, o Goberno de Pedro Sánchez ordenou que a fragata da serie F-100 abandonase o grupo cando o buque militar norteamericano e outros barcos que lle prestaban apoio foron enviados cara ao Golfo Pérsico. Unha decisión que foi criticada desde a embaixada norteamericana en España. |
PRAZA_16645 | O Goberno galego gasta polo recoñecemento máis de 4.000 euros en dúas empresas de regalos e xoiería pero non aclara o concepto HEMEROTECA | A Xunta esquece a súa medalla ao mérito turístico e crea as figuras de Embaixador do Camiño e Comendador da Gastronomía | HEMEROTECA | A Xunta esquece a súa medalla ao mérito turístico e crea as figuras de Embaixador do Camiño e Comendador da Gastronomía O Rei emérito Xoán Carlos I recibiu este venres en Santiago o título de Embaixador do Camiño de mans do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. O monarca é o cuarto galardoado con esa distinción creada en 2013 polo Goberno galego, que lla outorgou tamén ao seu fillo Felipe, o ex-seleccionador español Vicente del Bosque e a Mariano Rajoy. Porén, malia que o resto xa recolleron os seus títulos, máis de tres anos despois aínda non houbo ningún acto público de entrega a Mariano Rajoy sen que a Xunta explique o motivo. O Goberno galego tampouco aclara en que vén de gastar máis de 4.000 euros en dúas empresas de regalos e xoiería a través de dous contratos a dedo cuxo concepto xenérico é o de "título embaixador do camiño". A Xunta xa esgotou catro dos oito títulos que pode outorgar, todos eles con homes O título de Embaixador do Camiño, co que o Goberno galego obviou outros recoñecementos similares xa existentes que deixou de entregar, foi creado por decreto a finais de 2013 cun límite de oito títulos, tantos como camiños oficiais hai a Santiago. Nestes catro anos o Goberno galego esgotou xa a metade deles, en todos os casos con homes, escoramento habitual noutros galardóns autonómicos, e dun xeito pouco regular no tempo. O daquela príncipe de Asturias, o agora Rei Felipe VI, foi o primeiro en recibilo, a comezos de 2014, seguido a mediados daquel ano polo seleccionador Vicente del Bosque e a finais do mesmo exercicio por Mariano Rajoy. A Xunta non volveu outorgar outro título ata que tres anos despois, a finais do ano pasado, anunciou o do Rei emérito. Contratos por máis de 4.000 euros cuxo concepto "Título embaixador do camiño" a Xunta non aclara O Goberno galego gasta polo recoñecemento máis de 4.000 euros en dúas empresas de regalos e xoiería pero non aclara o concepto Todos os galardoados recibiron os seus títulos en actos públicos celebrados en Santiago menos Mariano Rajoy. Este diario preguntou polo motivo desa ausencia máis de tres anos despois pero o Goberno galego non ofrece resposta. A Xunta tampouco aclara outra pregunta que se lle formulou sobre gastos nos que incorreu para a entrega do título. Na súa web de transparencia fixo públicos hai uns días dous contratos baixo un mesmo concepto, "Título embaixador do camiño", sen aclarar nada máis, por 3.254,90 e 786,50 euros, entregados a dedo respectivamente a unha firma de regalos e decoración e a un xoieiro. O Goberno galego non aclara a que foron en concreto destinados eses cartos. Na súa intervención deste venres no acto de entrega ao Rei emérito, o presidente Feijóo gabou o monarca por converter "a monarquía parlamentaria nunha casa común que trae do pasado o mellor da nosa historia e que permite albiscar o futuro sen inquietude". Unha visión que o presidente contrapuxo á "insolidariedade fomentada por nacionalismos exacerbados" que ao seu ver "volve a poñer en perigo o proxecto europeo e ameaza a propia democracia española". |
NOS_20300 | San Xoan é unha das festas con máis seguimento de todas as que poidamos facer en Galiza. Cada un festexa esta noite no seu pobo ou móvese a algún outro para prender a cacharela ás 00.00 horas, do día 24 de xuño. Tamén poida que sexa a festa, en nome dun santo, menos relixiosa. | A segunda metade de xuño, nada ten a ver coa primeira. Dá igual o tempo, dan igual as obrigas que un teña e dá igual o que se faga, sinxelamente frota no ambiente. Un día calquera espertas e ule a verán nunha mañá de sol. O olor de xuño é tremendamente específico e vai variando até a noite do 24. Da polinización ao aroma das cremas solares dos primeiros días de praia, para chegar a un solpor con olor a sardiñas que vira en noite de cinza. Un non sabe que é xuño até que chega o San Xoan. Aserrín, aserrán. Soan as campaíñas e comeza o verán. Xuntámonos cos máis achegados, facemos unha fogueira, comemos sardiñas e churrasco e contamos contos ben entrada a noite. Uns báñanse, outros beben, outros, as dúas cousas e ao final saltamos a fogueira. Por que o facemos? Pois porque é o que se fai, mais, agora ben: Por que se fará? Tradición pagá ou cristiá? O Litha era unha tradición pagá celebrada principalmente no norte de Europa. Era unha festa solar que festexaba o solsticio de verán. O rito a seguir era encender unha fogueira na madrugada do día 21, momento no que daba comezo o verán. Durante a noite máis curta do ano os celtas rendían culto ao sol, que dende ese día iría baixando dende o seu apoxeo durante os seis meses seguintes. Os antigos celtas encendían fogueiras circulares en lugares sagrados, sempre preto de fontes, e lanzaban rodas encendidas por unha ladeira, a xeito de metáfora da perda de forza do sol a partir do solsticio. Despois de miles de anos, o quid do festexo segue xirando en torno ás cacharelas e á comida Hoxe en día a tradición non é moi diferente. Despois de miles de anos, o quid do festexo segue xirando en torno ás cacharelas e á comida, que foi algo propio de calqueira festa humana dende o albor dos tempos. A única diferenza e o movemento de tres días no calendario con respecto ao solsticio. Porén, segundo a tradición cristiá o 24 de xuño marca o nacemento de San Xoán, seis meses exactos antes que o de Xesús. Mais esta noite de San Xoán, aínda que non sexa o festexo do solsticio, si que se viu moi influida e adoptou os ritos precristiáns, como acender as cacharelas para dar forza ao sol ou saltar a fogueira para liberarse de enfermidades. Durante momentos históricos mesmo se facía sair ao gando a pasear entre as fogueiras para afumalos e, así, liberalos de futuras doenzas. Auga e herbas de San Xoán San Xoán chega en pleno apoxeo de variedade da flora galega. O final da primavera e o paso ao verán enchen o noso monte e campo de diversas prantas e flores que, ademais de espirros nos alérxicos, proporcionan un intenso aroma nas zonas libres do fume das grandes urbes. O olor a San Xoán é o olor das herbas, esas mesmas que se deixan na madrugada do 23 ao 24 nun caldeiro con auga á intemperie, para despois lavarse a cara con elas de boa mañá, para que a auga e as primeiras raiolas de sol nos bañen a cara e a protexan a nosa pel, ao tempo que a rexuvenecen. As principais herbas de San Xoán son a abeloura, o fieito, a malva, o romeu, a dedaleira, o codeso, a herba luísa e o fiúncho. As herbas de San Xoán varían en función da zona, mais é ben certo que a maioría son comúns a todos os recunchos de Galiza. As principais son a abeloura, o fieito, a malva, o romeu, a dedaleira, o codeso, a herba luísa e o fiúncho. Sardiñas e cachelos Para os máis novos o churrasco é indispensábel nesta noite, mais só o é porque as sardiñas están moi caras. Pasado o 20 de xuño mercar sardiña na praza faise misión imposible e o seu prezo fai fuxir delas aos menos convencidos. Mais chega a tarde do día 23 e o mundo arrecende a sardiña e, para os olfatos máis sutís, tamén ao loureiro que acompaña aos cachelos na ola. As festas conmemoran tradicións ancestrais ou datas chave relixiosas. Nelas cúmprense unha serie de ritos, mais sempre. Repito: Sempre a comida é o máis importante. Facemos festas para comer. Na noite meiga poden faltar as nosas bruxas máis propias, pode faltar a auga e as herbas e poden faltar as cacharelas, mais iso si, gardade unhas ascuas para arrimarlle a unhas sardiñas e para cocer unha pataquiñas destas que xa se comen coa tona, porque iso si que é imprescindíbel. |
NOS_26565 | Sés, O Sonoro Maxin, Pandeiromus, Novedades Carminha, Ataque Escampe, The Homens, AID, Eladio y los Seres Queridos e Álex Casanova nun único disco colectivo. E quen une a un conxunto tan variado da nosa música? Os Bolechas, que quixeron contar cunha banda ben potente no seu novo libro-disco. | "Os Bolechas fan unha banda" é o novo libro-disco que nace da factoría de Pepe Carreiro que vén de ser presentado na Coruña coa actuación de Pandeiromus e Álex Casanova. Para a nova aventura, os Bolechas conseguiron contar cunha "banda" moi particular, grandes nomes da nosa música actual, de Sés ao Sonoro Maxín, de Novedades Carminha a Ataque Escampe e de The Homens a Pandeiromus pasando por AID, Eladio y los Seres Queridos ou Álex Casanova que lle poñen música á particular familia creada por Pepe Carreiro. O novo traballo inclúe, alén da aventura habitual da troupe de Bolechas, dez tema inéditos que foron creados por dez grupos e intérpretes da escena musical galega. O produtor do disco e líder de Novidades Carminha, Carlos Pereiro lembrou que boa parte de músicos e músicas medraron coas cancións do Xabarín e agora conta con que este disco "sirva para facer o mesmo entre unha nova xeración de nenos e nenas de Galicia". Optou por convocar con este fin a creadores e creadoras de estilos e ritmos diversos, co fin de que as crianza se podan achegar á variedade da música que se está a crear no país. Tradicional con Pandeiromus, cumbia de O Sonoro Maxin, graxe-punk de Novedades Carminha, rock con Ataque Escampe e Sés, reggae da man de Transilvanians, power pop con The Homens, rap de Aid, pop con Eladio y los Seres Queridos e música electrónica de Álex Casanova compoñen a variada oferta musical de "Os Bolechas fan unha banda". A TVG, que emite a serie de monicreque sobre os personaxes de Pepe Carreiro, colabora no disco-libro así como Novacaixagalicia, entidade que colaborou tamén no espectáculo BrincaBolechas. Desta volta, unha porcentaxe dos beneficios irán parar a Arela, asociación que traballa no ámbito da infancia. |
PRAZA_18122 | O PP critica que o novo delegado de Zona Franca, home de confianza do alcalde, queira trasladar a súa sede ao mesmo edificio que a popular Corina Porro amoblou entre denuncias de desbalde dos socialistas HEMEROTECA | De espazo sen aranceis a contrapoder político: 70 anos da Zona Franca de Vigo | HEMEROTECA | De espazo sen aranceis a contrapoder político: 70 anos da Zona Franca de VigoNo número 46 da rúa Areal de Vigo, con vistas á ría, levántase o edificio que alberga o despacho máis desexado da cidade nos últimos anos e que volve agora á lea política. O PP vén de criticar que o novo delegado da Zona Franca, o socialista David Regades, home de confianza do alcalde, Abel Caballero, queira trasladar alí a súa sede desde a actual no interior do recheo portuario de Bouzas. O consorcio da Zona Franca, convertido hai anos en contrapoder ou respaldo económico segundo quen goberne o Concello, sumaríase así á longa lista de institucións que buscaron visibilidade instalándose na rúa Areal, nun edificio que chegou a ser sede da Alcaldía da cidade en tempos da popular Corina Porro, á que os socialistas criticaron no seu momento polo "desbalde" de gastar 377.000 euros en amoblar o seu despacho.O PP critica que o novo delegado de Zona Franca, home de confianza do alcalde, queira trasladar a súa sede ao mesmo edificio que a popular Corina Porro amoblou entre denuncias de desbalde dos socialistasRematado en 1865 como unha das primeiras grandes residencia particulares de Vigo, a Casa de Fernando Carreras é máis coñecida na cidade como a antiga sede do Reitorado da Universidade na rúa Areal. Tras ser vivenda, por alí pasaron a oficina na cidade do Banco de España e a sede do Goberno Militar antes de que pasase a mans do Concello. Tras crearse a Universidade de Vigo, nos anos 90 o Concello cedeulle o seu uso para albergar nel o seu Reitorado e servizos administrativos. Malia que esa situación durou pouco máis dunha década, ata que a principios dos 2000 a universidade centralizouse no Campus das Lagoas-Marcosende, o edificio permanece aínda hoxe na memoria da cidade como o antigo Reitorado.A marcha del da universidade supuxo a súa reversión ao Concello, que nestes anos deulle diversos usos, dos que o seu auditorio é probablemente o que máis constante se mantivo neste tempo con conferencias periódicas. En 2006, coa popular Corina Porro como rexedora, esta decidiu trasladar a ese edificio a sede da Alcaldía que ata daquela ocupara parte da primeira planta da torre que alberga a sede central do Concello na Praza do Rei. Pretendía dar maior visibilidade á institución nun edificio señorial a pé de ría que contrastaba coas envellecidas instalacións da ladeira do Castro.Os socialistas non denunciaran o custo do despacho da popular Porro ata 2011, máis de catro anos despois, ás portas de novas eleccións municipais, malia que se producira ao tempo que a polémica sobre os mobles do despacho de Touriño na XuntaEsa Alcaldía na rúa Areal acabaría por ter un uso reducido, visible nunhas poucas recepcións oficiais a autoridades. E efémero, xa que só un ano despois, en 2007, o socialista Abel Caballero facíase co Goberno local e devolvía a Alcaldía ao seu antigo emprazamento no edificio central da Praza do Rei. Alí deixaría pasar catro anos antes de que, ás portas dunhas novas eleccións municipais, en abril de 2011 e con Porro novamente como opoñente, os socialistas decidisen denunciar o "desbalde" que supuxera en 2006 a decisión da popular de empregar o edificio da rúa Areal. Sabíase que a reforma integral do edificio custara dous millóns de euros, pero agora saían á luz facturas que evidenciaban que o mobiliario do despacho principal da alcaldesa supuxera 377.000 euros. Unha infografía divulgada polos socialistas a xeito de catálogo de tenda de mobles identificaba o custo de cada obxecto.Aquela denuncia dos socialistas producíase máis de catro anos despois dos feitos en cuestión e dous anos despois da campaña similar lanzada polos populares contra unha reforma semellante do edificio de San Caetano que alberga a Presidencia da Xunta e que tamén supuxo a renovación do seu mobiliario entre acusacións ao daquela presidente Touriño de comportarse como o "sultán de Brunei". Foi precisamente nun mitin en Vigo en 2009 onde o daquela candidato Feijóo prometeu que "eses caixóns de luxo, eses mobles que insultan a dignidade dos cidadáns, sairán dos despachos da Administración". Porén, unha década despois aqueles mobles de Touriño seguen a ser os que emprega o actual presidente, que non se desfixo deles.Cando os populares xa saíran do Concello pero aínda controlaban a Deputación de Pontevedra tamén tentaron darse visibilidade na cidade a través das oficinas que instalaron no mesmo edificioNada se falara nas autonómicas de 2009 dos mobles vigueses de Porro de 2006, que aínda tardarían dous anos máis en ser denunciados polos socialistas. Faríano ás portas das novas eleccións municipais de 2011 nas que Porro aspiraba a recuperar a alcaldía tras buscar visibilidade noutras institucións que, novamente, aproveitaron o edificio do Areal. Porque antes de saír do goberno local en 2007, Porro asinara un convenio coa Deputación de Pontevedra controlada polo tamén popular Rafael Louzán polo que esta acabaría instalando nun anexo do edificio do Areal unhas oficinas a xeito de delegación en Vigo da institución provincial. Co PP fóra da alcaldía, a designación de Porro como vicepresidenta da Deputación, ao igual que tamén o foi o seu número dous, Chema Figueroa, fixo que esas instalacións fosen empregadas para dar visibilidade na cidade a actos e roldas de prensa dos populares que aspiraban a recuperar o goberno local coa institución provincial como trampolín. Posteriormente, en 2009 Porro sería nomeada por Feijóo presidenta do Porto de Vigo, con sede institucional tamén a moi poucos metros.O edificio municipal do Areal foi posteriormente proposto polos socialistas como sede da eurorrexión, de novas oficinas da universidade no centro da cidade ou da Área Metropolitana de Vigo, pero o conflito entre Caballero e Feijóo paralizou ese último ente. Tamén a Zona Franca, cando a súa delegada era a popular Teresa Pedrosa, barallou a posibilidade de instalar nel un centro de innovación gastronómica, pero segundo agora critican os populares o Concello puxera un prezo demasiado alto para venderlle o inmoble. O Goberno local pedía cinco millóns de euros, cifra que superaba amplamente os tres millóns de euros da taxación que fixera a Zona Franca, segundo salienta o PP."A primeira decisión da Zona Franca é poñerlle un despacho ao delegado no centro de Vigo que vai custar máis de cinco millóns de euros"Así que igual que no seu momento Abel Caballero criticara que Corina Porro gastara "dous millóns de euros" en amoblar o seu despacho no edificio do Areal, os populares agora volven coller a parte polo todo: "A primeira decisión da Zona Franca é poñerlle un despacho ao delegado no centro de Vigo que vai custar máis de cinco millóns de euros", esaxera agora o PP como fixera Caballero. |
PRAZA_16611 | A oposición critica o debilitamento da sanidade pública en beneficio da privada nunha sesión que se desenvolveu con protestas ás portas do Parlamento de Galicia, ao que asistiron alcaldes das vilas máis afectadas HEMEROTECA | A reforma sanitaria blinda por lei pactos do Sergas co sector privado como o que a Xunta oculta ao Parlamento | Cunha protesta ás portas do Parlamento de Galicia e coa tribuna de invitados chea de alcaldes das vilas que forman parte das áreas sanitarias que desaparecerán coa nova norma, o PP aprobou este martes en solitario a contestada reforma da Lei de Saúde de Galicia de 2008. A eses rexedores, entre os que había tamén algún do PP, apelou o portavoz popular, Aurelio Núñez Centeno, ao poñelos como exemplo de autoridades que toman decisións positivas "aínda que non sempre sexan entendidas pola cidadanía". Así foi como presentou o popular a reforma sanitaria agora aprobada, para a que pediu "tempo" para que sexa valorada. A oposición critica o debilitamento da sanidade pública en beneficio da privada nunha sesión que se desenvolveu con protestas ás portas do Parlamento de Galicia, ao que asistiron alcaldes das vilas máis afectadas Fronte á crítica fundamental de que a reforma suprime as áreas sanitarias da Mariña, Monforte, O Salnés e O Barco, os populares argumentaron que os hospitais desas comarcas están a ser ampliados. Porén, fronte ás infraestruturas materiais, os tres grupos da oposición coincidiron en enumerar as numerosas eivas que presenta a atención sanitaria nesas zonas e a sobrecarga de traballo que teñen os profesionais. Nesa liña, a oposición presentou a protesta social como exemplo do desexo da cidadanía de contar con máis sanidade pública fronte á intención do Goberno galego de facilitar a progresiva privatización de servizos. A reforma da lei de saúde, como lembrou o deputado do PSdeG Julio Torrado, foi impulsada pola Xunta "sen ser anunciada nin no programa electoral do PP nin do discurso de investidura do presidente", tras ser sometida a exposición pública "en agosto", cando "ata a consellería estaba de vacacións", para ser aprobado o seu proxecto polo Goberno galego "na ponte de decembro". Uns tempos que o socialista vinculou coa "renuncia" da Xunta "a explicar a súa proposta". "Vostedes defenden esta lei por algo que non queren contar", dixo, para engadir que "vostedes están en contra da sanidade pública porque dá igualdade de oportunidades". Fronte a esa postura, e ante o intento dos populares de presentar a protesta social como manipulada ou baseada en premisas falsas, o socialista asegurou que "a cidadanía non se manifesta porque lle paguen bocadillos, maniféstase porque sinte o sistema sanitario como propio". Alcaldes de vilas que forman parte das áreas sanitarias que desaparecerán coa reforma, acompañados do secretario xeral do PSdeG [Foto: PSdeG] Similar crítica de debilitamento da sanidade pública como "elemento igualador" foi lanzada pola deputada de En Marea Eva Solla, para quen "o exceso de carga de traballo é unha humillación para os profesionais sanitarios". Solla puxo o foco en que a reforma sanitaria facilitará o beneficio privado das investigacións que se realicen na sanidade pública e preguntouse que pasará coas enfermidades que non teñen rendibilidade económica. Sobre a protesta social, Solla salientou que a visión da democracia que ten o PP é "votar cada catro anos e submisión absoluta ás súas imposicións, non se pode protestar, non se poden defender os dereitos". "Vostedes dinlles que non protesten e que están manipulados", dixo. Aurelio Núñez (PP), Eva Solla (En Marea), Julio Torrado (PSdeG) e Montse Prado (BNG) Ao debate e votación non asistiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo Pola súa banda, a deputada do BNG Montse Prado criticou o rexeitamento dos populares a incorporar a maioría das propostas formuladas pola oposición, algo que considerou "digno da mellor das ditaduras". Prado salientou a falta de especialistas nos hospitais máis pequenos e criticou que "o único que fixeron estas áreas é perder servizos e saben que é o que lles agarda". A reforma foi finalmente aprobada cos votos favorables do PP e o voto en contra dos tres grupos da oposición. Ao debate e votación non asistiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que á mesma hora asitía en Arzúa á colocación da primeira pedra dun novo treito da Autovía Santiago-Lugo. |
NOS_41687 | Que os castrexos tivesen saunas non é un feito moi coñecido para os profanos na materia, e por iso resulta tan valioso o traballo dun dos maiores divulgadores do patrimonio galego, Manuel Gago, que vén de amosarnos da man da rede Consiliencia un dos exemplos mellor conservados dunha sauna castrexa, sita no Castelón de Castañoso na Fonsagrada. É un dos poucos exemplos desta construción no actual territorio galego, dado que a maioría dos coñecidos se encontran no occidente asturiano e no norte de Portugal. | A sauna de Castelón de Castañoso está a ser rehabilitada neste momento grazas á reclamación do Museo da Fonsagrada por mor do seu perigo de derrubamento. Trátase dun achado especial debido ao seu estado de conservación: a cúpula e a bóveda están en moi bo estado, suxeitados "milagrosamente" ata agora por unha pedra. Esta mesma semana remataranse os traballos de escavación, consolidación e reconstrución dunha estrutura que se mantivo grazas precisamente a que se encontra agochado nun lugar de difícil accesibilidade, "no medio dun souto de 100 hectáreas", segundo Juan José Molina, director do Museo da Fonsagrada. Trátase, segundo Manuel Gago, dunha das accións arqueolóxicas máis importantes deste verán en Galiza, cuxos traballos se centraron na recuperación e mesmo reconstrución da cámara de combustión (forno), a sala de valores e tamén unha vivenda compartimentada, máis alta e complexa do habitual. Ademais da 'pedra formosa' que poden ver no vídeo publicado pola rede Consiliencia, atopáronse unha fíbula de bronce común e algo de cerámica de difícil identificación. Rituais, non lúdicas A pesar de que se cría que as saunas castrexas eran unha adaptación indíxena das termas romanas, Molina afirma que estes últimos achados desminten esa idea, dado que pola súa forma "inclinámonos a pensar que é prerromano e que debía ter un uso ritual e non lúdico". Tal e como se explica no vídeo, as saunas castrexas constan dun forno e dunha sala de vapores á que hai que entrar a través dun burato pequeno no que só entra unha persoa arrastrándose, "polo que non pode ser unha terma destinada á hixiene". Tanto o profesor Marco García Quintela, da USC, que aparece no vídeo, como o director do Museo ou Felipe Arias, ex director do Museo do Castro de Viladonga e experto no mundo castrexo, decántanse por un uso ritual. "Podería ter un valor iniciático para a xente nova, como un tránsito cara a vida adulta", declarou para Sermos Galiza Felipe Arias, tamén ex director xeral de Patrimonio durante o bipartito. García Quintela abonda aínda máis na interpretación: "As saunas son unha ferramenta que consiste en acumular as catro potencias da física antiga: lume, auga, terra e aire. Isto sería unha especie de útero, cando saías de aquí saías renacido: espido, enrugado e arrastrándote". No norte e no sur do mundo castrexo As saunas non son construcións frecuentes nos castros galegos. Polo que se coñece actualmente hai unha ducia no norte, desde a conca do Navia do occidente asturiano até a de Punta dos Prados en Ortigueira, e outras tantas no norte de Portugal, na zona da Gallaecia bracarense, con algún exemplo illado en Ourense (Aguas Santas). As do sur son algo máis complexas e nelas as 'pedras formosas' están decoradas. Os exemplos máis destacados están no castro de Briteiros e de San Fins. Juan José Molina adiantounos que o Museo da Fonsagrada ten previsto realizar unha exposición que explique as saunas castrexas e os traballos que se fixeron en Castelón de Castañoso. Velaquí o vídeo da rede Consiliencia no que se explica o xacemento da Fonsagrada: |
PRAZA_12465 | Ao contemplar un feito dende o prisma das urxencias organizativas e dos intereses contrapostos en xogo esquecemos moitas veces a súa esencialidade, o substancial da súa natureza. Isto acontece co dereito de folga e mais cando poderosas maquinarias mediáticas e think tanks neocons teiman en diluír a súa natureza de dereito fundamental, devaliandoo por medio da asimilación a un episodio de algarada. | Ao contemplar un feito dende o prisma das urxencias organizativas e dos intereses contrapostos en xogo esquecemos moitas veces a súa esencialidade, o substancial da súa natureza. Isto acontece co dereito de folga e mais cando poderosas maquinarias mediáticas e think tanks neocons teiman en diluír a súa natureza de dereito fundamental, devaliandoo por medio da asimilación a un episodio de algarada . Non é esta unha afirmación voluntarista . Basta examinar con certa atención a Circular interna da Ceo e Cepyme publicada ante a convocatoria de folga xeral o 29 de marzo para constatar que nin unha única vez se cualifica a folga pola súa esencialidade de dereito fundamental. Pola contra, afirmase que "o exercicio da folga xeral e o risco de violencia e danos que leva consigo é rexeitábel sempre". Conclusión: para a CEOE e a CEPYME o exercicio dun dereito fundamental non so é rexeitábel senón que leva consigo risco de danos e violencia . Os importantes intereses en xogo fan mais acusada , se cabe, a intención de desvirtuar este dereito fundamental Estamos diante dun claro exercicio de criminalización do exercicio dun dereito fundamental. Non é o primeiro proceso deste tipo, sucede tamén co exercicio de outros dereitos como o de reunión e manifestación . Mais os importantes intereses en xogo fan mais acusada , se cabe, a intención de desvirtuar este dereito fundamental. Esas concepcións "teóricas" encontran pista de aterraxe nas limitacións gobernativas ao exercicio do dereito. EsCULcA elaborou un relatorio sobre a folga de xaneiro de 2011 na que se constatan actuacións nidiamente ilegais como identificacións e rexistros corporais de persoas que integraban piquetes informativos e dos seus vehículos. Producíronse seguimentos de persoas polo único feito de participaren en actos de información e difusión da folga. Mesmo se impediu un piquete falar cos traballadores, afirmando os axentes que estes "xa estaban informados". Estas sentenzas subliñan que a esencialidade da folga reside precisamente na súa natureza de dereito fundamental O Tribunal Constitucional ditou numerosas resolucións interpretando o dereito de folga. A pretendida devaliación de rango deste dereito determina a existencia dun tópico consistente en atribuír a estas sentencias ou autos un contido estritamente laboral. Mais non é así, estas sentenzas subliñan que a esencialidade da folga reside precisamente na súa natureza de dereito fundamental. De feito parece que o Tribunal Constitucional, nun exercicio de presciencia, albiscou xa hai algún tempo tendencias criminalizadoras cara a este dereito pois nun auto do ano 1995 tivo que declarar que afirmar que a existencia de piquetes informativos creaba un risco de violencia supuña unha inaceptábel presunción de que o dereito fundamental á folga se exercitaría antixuridicamente. Recentemente coñeceuse unha sentenza denunciando unha actuación empresarial de esquirolaxe externa durante a folga de xaneiro de 2011. E nesa vertente "laboral" do exercicio do dereito, os sindicatos non dubidan en exercer accións contra as limitacións do dereito fundamental. Cómpre non esquecer que moitas das limitacións virán da man dos poderes públicos e das forzas de seguridade do Estado Mais cómpre non esquecer que moitas das limitacións virán da man dos poderes públicos e das forzas de seguridade do Estado. Compre lembrar que non hai que soportar identificacións arbitrarias polo mero feito de participar nun piquete informativo e que, de se produciren, deben ser denunciadas. Que non proceden rexistros inxustificados e que, de esixiren, deben ser denunciados. Que non é a policía nin a garda civil quen debe sinalar os limites do dereito a información aos traballadores para que secunden a folga e que, de mediaren actuacións deste tipo, deben ser denunciadas. Que os cidadáns teñen dereito a que os forzas de seguridade porten a súa identificación visíbel, inda que leven material antidistubios, e que, de non a levaren, deben ser denunciados. Que non cabe que a actuación dos piquetes informativos sexa gravada polos axentes policiais sen autorización gobernativa e respectando os limites que marcou o Tribunal Constitucional no ano 1998, e que, se a gravasen, esta actuación debe ser denunciada. Non cabe que a actuación dos piquetes informativos sexa gravada polos axentes policiais sen autorización gobernativa Se non facemos así, non lles será precisa unha futura lei de folga de tendencia restritiva porque a devaliación da natureza deste dereito fundamental terá acadado os mesmos efectos no lento, mais infelizmente certo, camiño en que por agora andamos cara a un estado de dereito de baixa intensidade. |
PRAZA_17615 | O festival, cun gran número de formacións lideradas por mulleres, encherá de música as rúas, prazas e praias da Coruña do 7 ao 12 de agosto. Todas as actuacións serán de balde, agás as de Neneh Cherry, María del Mar Bonet e James Holden & The Animal Spirits. O Castelo de San Antón acollerá a Rocío Márquez, Dona Rosa e María Arnal i Marcel Bagés | 80 concertos. 14 escenarios. 1 cidade. Este xoves presentouse a 32ª edición do Festival Noroeste, que do 7 ao 12 de agosto encherá de música as rúas, prazas e areais da Coruña. Aos nomes que xa foran adiantados (Belle and Sebastian, María Arnal, Christina Rosenvinge, Neneh Cherry, Nathy Peluso, Rocío Márquez, Laetitia Sadier, Dorian Wood, Za!, Ana Curra...) únense os de The Pretenders, con Chrissy Hynde á cabeza, Temples ou Viva Suecia, que actuarán na praia de Riazor, ou os de Maika Makovski, Tulsa ou Los Nastys, que se distribuirán polas moitas localizacións programadas. O Noroeste repite filosofía: un festival estendido por toda a cidade, concertos gratuítos, e combinación de nomes consagrados e novas formacións. Ademais, nesta ocasión destaca o gran número de voces femininas e bandas lideradas por mulleres, que dominan o cartel. Pódese consultar toda a programación e horarios neste enlace. O venres 10 e o sábado 11 chegarán os xa tradicionais concertos na praia, protagonizados nesta ocasión por Belle and Sebastian, The Pretenders, Viva Suecia e Temples. Porén, a música comezará o martes 7. Todos os concertos serán de balde, agás os de Neneh Cherry, María del Mar Bonet e James Holden & The Animal Spirits, que terán lugar no Teatro Colón e no Teatro Rosalía de Castro. Ademais, destacan as actuacións (gratuítas previa recollida de invitación) que acollerá un ano máis o incomparable escenario do Castelo de San Antón: Rocío Márquez, Dona Rosa e María Arnal i Marcel Bagés. Haberá tamén concertos no Bulevar do Papagaio, o Campo da Leña, a Casa Museo Casares Quiroga, a Fundación Luis Seoane, o Paseo das Pontes, a Praza das Bárbaras, a Praza José Sellier Loup, a Praza de San Nicolás, a Rúa Torreiro ou a Rúa Capitán Troncoso. De martes a xoves, a música comezará ás sete da tarde, pero venres e sábado engádense as Matinais, sesións vermú repartidas por distintos espazos do centro. O festival completarase o domingo cunha romaría pop no Parque do Paseo das Pontes (con Ángel Stanich, La Plata ou Morgan). O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, destacou na presentación deste xoves a colaboración no festival de entidades como "Cuac FM e o seu tradicional Concurso de Bandas e Solistas, que achega novos nomes da escena galega ao escenario da Praia de Riazor" ou a asociación sen ánimo de lucro Desconcierto Cultural "encargada de programar con gusto as nosas sesións Matinais". Para o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, "o feito de que os escenarios estean repartidos por distintos puntos emblemáticos provoca que cidade e festival dialoguen de maneira máis natural. Fronte ao concepto de recinto pechado, esta proposta ten vocación aberta e integradora: a cidade atlántica como sinónimo de espazo de cultura e de vivencias únicas". "Podes dirixirte a un concerto que teñas apuntado na axenda ou pasear polas rúas da Coruña e toparte cun artista ao que quizais non coñecías, pero que, sen dúbida, paga a pena descubrir, e que está a tocar nun recuncho encantador", engadiu o rexedor. Descarga aquí o programa do Noroeste (.pdf) |
NOS_36715 | Os 37.308 nomes de lugares habitados no noso país supón unha cuarta parte dos existentes en todo o Estado e máis dos que hai en todo Portugal. A Igrexa, Castro, Outeiro e Vilar, os máis comúns. | O país dos mil ríos non é nada en comparación cos topónimos. Somos o país dos 37.000 nomes de lugares habitados. Unha cifra que supón a cuarta parte de todos os existentes no Estado español e supera todos os que hai en Portugal (algo máis de 30.000). Non é raro entón que Xesús Ferro, da Real Academia Galega (RAG) considere que sería bon comezar un proceso "para que a Unesco a declare Patrimonio da Humanidade, porque a riqueza que nós temos é algo que non se dá en todas partes e é un patrimonio que está en perigo". Ferro fixo estas declaracións durante a presentación pola Xunta da nova versión do portal Toponimia. Entre as novidades, a xeorreferenciación dos topónimos, que no caso de aqueles que pertencen ao Nomenclátor oficial de Galicia (37.000) estánse rematando de xeolocalizar, pero ademais a base de datos contén en total 1,3 millóns de nomes, pois tamén se inclúe microtoponimia. Na nova versión, os visitantes poderán xeolocalizar tamén eses microtopónimos. Que concello galego non ten algún lugar que se denomine A Igrexa? Sería difñicil atopalo. A Igrexa é o topónimo máis frecuente en Galiza, seguido de outros como Castro, Outeiro, Vilar, A Torre, O Pazo. De feito, A Igrexa é o topónimo máis empregado en todo o Estado embora se usar só no noso país. Hai máis de 600 lugares con ese nome. A riqueza toponímica Galiza é inmensa. Un concello como o de Cangas ten, en base aos dados do Instituto xeográfico, e cunha superficie de 38 quilómetros cadrados, máis de 6.000 topónimos e microtoponímicos, unha media de 150 por quilómetro cadrado. Importancia O Proxecto Toponimia de Galicia, posto en marcha no ano 2000 como un proceso complementario ao Nomenclátor de Galicia, aborda a recuperación do que se vén chamando microtoponimia, é dicir, a toponimia referente ás entidades xeográficas distintas dos núcleos de poboación, tales como terras de cultivo, cursos de auga, outeiros e montes. A iniciativa naceu coa intención de salvar un patrimonio que en Galiza é especialmente rico, debido a factores diversos como o espallamento da poboación no territorio, a división da terra en parcelas moi pequenas ou a orografía. |
NOS_4392 | A CIG acusa o Partido Popular de "desvirtuar" a comisión sobre a sanidade pública que a oposición parlamentaria conseguira habilitar no Hórreo. "Os vetos do PP desvirtúan o seu funcionamento", sinalou María Xosé Abuín, secretaria nacional da sección de Saúde do sindicato. Sos Sanidade Pública concorda e fala de "boicot". | "Os grupos da oposición pretendían dar voz a un colectivo amplo de persoas representativas da sanidade pública", explicou en comparecencia de prensa, "que poderían achegar claridade para unha mellor solución aos problemas sanitarios galegos". Mais o partido que sostén o Goberno de Feixoo impediuno. Non quixo que participase a familia do paciente morto no PAC da Estrada o pasado agosto. "O PP ten medo a que no Parlamento se fale da situación que realmente ten a sanidade pública galega", engadiu Abuín. A plataforma Sos Sanidade Pública manifestouse no mesmo sentido e afirmou que o PP "boicotea" o órgano parlamentario "ao limitar as áreas de investigación e o número de comparecentes propostos pola oposición". "Ponse de manifesto o carácter antidemocrático do PP e a inutilidade dos procedementos de control do propio Parlamento", expuxo nun duro comunicado, "pretende eliminar a única oportunidade a única oportunidade dos grupos da oposición, que representan a metade da poboación galega, de promover unha comisión de investigación na presente lexislatura". Tamén Sos Sanidade Pública mencionou o "temor" do PP a que se saiba "que grupos e que empresas se benefician da privatización da sanidade pública e que consecuencias ten esta para a saúde da poboación". En Marea, PSdeG e BNG abandonaron a cuarta feira a comisión, en protesta polo comportamento da dereita. |
NOS_344 | As entidades convocantes abordaron a "necesidade" de "rachar co modelo tradicional de produción e consumo de enerxía". O obxectivo é "acadar unha transición ecolóxica e unha descarbonización da economía socialmente xusta e ecoloxicamente viábel". | A Coordinadora Eólica Así Non fixo un chamado nesta cuarta feira para manifestarse o vindeiro 5 de xuño, con motivo do Día do Medio Ambiente, por un modelo enerxético "alternativo, xusto, sustentábel, por e para o pobo". A coordinadora, integrada por máis de 180 entidades e plataformas ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais e sindicais da Galiza, convocou unha rolda de prensa na que animou a participar na mobilización que artirá ás 12 horas desde a Alameda de Santiago de Compostela e rematará na Praza do Obradoiro, baixo o lema "Temos Alternativa!". Rede Natura chega aos seus 30 anos afectada por 54 parques eólicos As entidades convocantes abordaron a "necesidade" de "rachar co modelo tradicional de produción e consumo de enerxía". O obxectivo é "acadar unha transición ecolóxica e unha descarbonización da economía socialmente xusta e ecoloxicamente viábel". Eólica Así Non contrapuxo a súa alternativa co "actual modelo imposto pola Xunta e do Estado español", que para a coordinadora "só responde aos intereses das grandes corporacións da enerxía" e que "non contribúe a superar o reto climático, pois segue apostando polo espolio do territorio, a fragmentación de hábitats, a perda de biodiversidade e por unha produción intensiva e centralizada da enerxía que somete cautiva á sociedade". Necesidade "urxente" de tomar medidas A plataforma destaca que, "un ano despois de conseguir congregar a milleiros de persoas na Praza do Obradoiro para reclamar a moratoria dos proxectos eólicos en tramitación e unha nova planificación eólica", segue a teimar na necesidade "urxente" de adoptar estas medidas. "Eólica así non!": Convocan unha manifestación o 5 de xuño en Compostela Asemade, apela a un cambio de modelo enerxético que "se enfronte á lóxica do crecemento capitalista, que rache a dependencia entre o aumento do consumo da enerxía e a mellora do noso benestar social". "Un cambio de rumbo cara un sistema no que a enerxía sexa concibida como un dereito fundamental da sociedade, que poña o interese público e a protección da natureza por diante do lucro e da especulación e que outorgue aos poderes públicos e á sociedade un papel activo na planificación e na toma de decisións", manifesta Eólica Así Non. Modelo enerxético "xusto" e "sustentábel" Durante a manifestación do vindeiro 5 de xuño, darase lectura a un manifesto que recolle nove principios para acadar un modelo enerxético "xusto" e "sustentábel". A coordinadora destaca que debe ser coherente coas directivas europeas de protección ambiental; estas deben prevalecer sobre o impulso de novos proxectos de produción intensiva de enerxía renovábel; debe coidar e valorar o patrimonio cultural "que nos outorga identidade tanto material como inmaterial". Susana Vázquez, alcaldesa de Porqueira: "Os eólicos non poden ser a calquera prezo" O cuarto principio é que un modelo enerxético alternativo debe ser compatíbel co dereito dos galegos e galegas a acadar a súa soberanía e seguridade alimentaria; debe primar o aforro e a eficiencia fronte o aumento da capacidade de xeración enerxética- O sexto principio aposta porque a Galiza deixe de ser espoliada enerxeticamente e teña soberanía para decidir sobre os seus propios recursos; o deseño dunha nova planificación eólica e enerxética con fins socioambientais e ao servizo do país; o oitavo principio do manifesto apela pola derrogación das "leis de depredación" e por un modelo enerxético no que se garanta a participación pública fronte aos recortes dos dereitos democráticos. O BNG propón un modelo eólico "respectuoso coa xente que vive no medio rural, respectuoso co medio ambiente e a favor da maioría social" O derradeiro punto apela ao principio de "precaución" para preservación da saúde pública no proceso de implantación de novas instalacións de xeración eléctrica ou sobre as que xa están instaladas próximas a núcleos de poboación. |
NOS_49224 | Cando xullo 36, Elvira Varela Bao tiña dez anos. Daquel tempo lembra a detención da súa nai, a mestra Elvira Varela Bao e a persecución a seu pai, o capitán da mariña Bernardino Varela. O medo que pasaron a partir de entón é para ela, "inenarrábel". A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña réndelle homenaxe coa distinción de Republicana de Honra. | Elvira Varela Bao móstrase sobrecollida por ter sido nomeada "Republicana de Honra" pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Afirma que a distinción lle vén por ser "filla de" mais a pouco que fale da súa biografía agroman episodios que ben a fan merecentes da distinción. Entre outros, o ter mantido a memoria de seus pais, a mestra Elvira Bao e o capitán da mariña, Bernardino Varela, membros das Irmandades da Fala e comprometidos coa legalidade que o golpe militar do 36 reventou. Da súa infancia, ese tempo que ella desexa feliz para todos os nenos e nenas, quédalle o medo diario, o terror diante da posibilidade de que a represión invadira a súa casa en calquera momento. "Tiña dez anos e rompéronme a vida.Separáronme de onde nacera, de onde vivia. Tivemos que ir a San Roque porque os falanxistas viñan a diario a nosa casa. Marchamos para alá a afastarnos. A casa da familia tiña unha horta cun muro de cinco metros e alí estabamos máis tranquilos" recorda, do tempo no que as catro da mañá podían recibir unha visita que lles metese un medo no corpo que logo sería incapaz de borrar. "Ese medo, ese terror é inenarrábel. Cóntase e non se pode crer" di e, a seguir, lebra a súa nai, os dez anos nos que viviu sen saír da casa, despois de ter pasado máis de tres meses na cadea, acusada de ser amiga da bibliotecaria Juana Capdevielle, muller do gobernador civil da Coruña, e de transmitir o ideario republicano ao seu alumnado. "Non ía nin ao mercado, facíanlle os recados e a compra. Logo había quen dicía menos mal que é prudente, que nin a azotea se asoma!" recorda, dun tempo no que a súa nai foi tratada "como unha terrorista". A Elvira Bao prendérona a comezos de agosto, poucos días despois do inicio do golpe de estado. "Daba clases no Sanatorio de Oza e collérona nada máis saír de alí. Meu pai chamara para que non saíra mais, entretanto, xa o colleron a el. Viñeran a casa e preguntáranlle se tiñamos armas. Meu pai mostroulles os libros e díxolles "estas son as armas que teño". Mais logo, con moita inocencia, ensinoulle un bastón de estoque que fora de seu pai e tiña agochado detrás dunha vitrina con louza para que nós non nos mancaramos. Foi razón para levalo" narra Elvira Varela, daqueles tráxicos días que marcaron toda a súa biografía. Seu pai estivo quince días na cadea despois de telo no cuartel na cuadra onde gardaban os cabalos. Sen imaxe da nai na cadea Dos tres meses e medio que Elvira Bao pasou na cadea, a filla non ten imaxes. Ela, que nunca se afastaba dos seus dous fillos e até os levaba aos actos públicos aos que asistía, non quixo que a viran detrás das reixas. Elvira Varela lembra que naquel tempo, ela máis o irmá durmían na cama co pai, abrazados polo medo e a angustia pola ausencia da nai. Elvira Bao nunca pediu o reingreso no corpo de mestras, coidaba que de oficio se ían dar conta da inxustiza e repararían os males. Nunca aconteceu. A partir de entón tiveron que sobrevivir como puideron. A súa filla, Elvira Varela, non puido estudar e formouse de maneira autodidacta. Coa nai montaron unha pequena escola na casa na que daban clases particulares a nenos e nenas. "Fixen todo por fóra, sen título ningún. Tamén meu pai dicía que non quería que nos troquelaran o cerebro. Era moi optimista e contaba con que aquilo non podía durar" e así, evoca cando as amizades viñan a visitar a Bernardino Varela para que lles insuflara o ánimo cando decaía. "Xa veredes como comemos as cereixas, dicía, e non era, logo viña xa veredes como comemos as castañas, e tampouco... morreu no 45 vendo uns mapas e sinalando os movementos. Nas últimas comentaba vaime coller a invasión -de Normandía- na cama. El non viu o final que tanto desexaba" explica Elvira Varela Bao. "O terror queda no corpo. Por mal que estemos, non ten a ver con todo aquilo. Agora os nenos son nenos. Todo o cariño que recibimos deles fixo que non quedaramos máis mancados" agradécelle máis unha vez a súa nai e seu pai, de quen garda unha imaxe sólida, de persoas xustas e xenerosas. Elvira Bao foi presidenta da Agrupación Republicana Feminina e tanto ela como o seu home Bernardino Varela eran membros das Irmandades da Fala. Na súa lembranza, a filla Elvira Varela Bao ten participado en infinidade de iniciativas de recuperación da memoria histórica. "Para que aquilo nunca máis se repita". Republicana de Honra 2013 nomeada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, durante esta semana ten unha axenda completa de actos que rematarán coa Cea da Repúblcia na que lle farán entrega da distinción o venres 12 de abril. "O mérito é deles, que sofreron as inxustizas. Eu só son a súa filla" comenta de novo, mália que a súa biografía esté marcada desde a infancia pola represión que comezou naquel verán de 1936. |
NOS_19909 | O diario monárquico xa mostrara a súa debilidade pola formación laranxa ao publicar unha entrevista con Inés Arrimada en plena xornada de reflexión. | Primeiro foi El País o sábado pasado cunha enquisa de Metroscopia, a primeira das publicadas até o de agora que colocaba Ciudadanos por primeira vez por diante do PP e do PSOE (27,1 por cento face 23,2 e 21,6, respectivamente, con 15,1 para Unidos Podemos e as confluencias). O diario de Cebrián, sustento mediático do PSOE desde a súa fundación en 1976, editorializaba tamén ao respeito, con tons abertamente ditirámbicos para a formación laranxa, de quen dicía que representa "unha España centrista, reformista e dinámica". Agora é o ABC quen esta mesma segunda feira se suma á tendencia pro-Cs cun inquérito que tamén pon a formación de Albert Rivera na primeira praza, embora con menor marxe da que lle atribúe El País. No inquérito realizado por GAD3 para o diario monárquico, Ciudadanos obtería 26,2 por cento de voto face 24,7 do PP e 24,2 do PSOE. En troca, en escanos -dado a súa relativa debilidade nas provincias con maior peso do voto rural- o partido laranxa ficaría na terceira praza, con 86/90 escanos fronte 97/101 do PP e 93/97 do PSOE. Unidos Podemos aparece co 14,7 por cento, entre 42 e 44 asentos no Congreso dos Deputados (ten neste momento 71). Na campaña catalá, o ABC xogou a fondo a baza de Ciudadanos, até o ponto de forzar unha denuncia do PP perante a Xunta Eleitoral pola publicación en primeira páxina, na xornada de reflexión, dunha entrevista con Inés Arrimadas. Quen non se une (talvez polo de agora) ao coro é La Voz de Galicia, rotativo claramente situado na órbita de Monte Pío. Esta segunda feira un dos seus editorialistas de cabeceira, Xosé Luís Barreiro, envía un aviso aos navegantes da escadra laranxa cun artigo intitulado "Cuidado, Rivera, que hay mar de fondo". Barreiro non parece moi entusiasmado coa emerxencia de Rivera nos inquéritos, por considerar que irá "fragmentar o único eleitorado que seguía compactado -o do espazo do centro-direita-" o que resultaría nun "Parlamento máis ingobernábel". Está por ver, aliás, a resistencia do cinto mediático que blinda o PPdeG se as tendencias pro-Ciudadanos se intensifican na imprensa madrileña. |
NOS_52719 | Dous endecasílabos pechan o soneto Se chego no solpor... de Víctor Campío Pereira: "Mais non me importa que se perda o canto. / Tanto me tén. A luz xa está perdida". O poeta, de 90 anos, morreu esta terza feira. Deixa unha obra non moi ampla pero sólida, existencialista e clásica, civil e, como cualificou o seu colega e crítico Miro Villar, "heraclitana". | O aire, a luz e o canto. Poesía reunida 1987-2006 (Pen Clube, 2008) xuntou os seus poemas en galego. O primeiro dos libros incluídos, O ar que nos leva (1987), destilaba décadas de escrita no illamento da ditadura. A memoria e os afectos, as sombras da resistencia e as voces dos devanceiros, certo ton elexíaco respiran nas súas páxinas, segundo explica Villar nunha recensión crítica publicada na revista Grial. Por esa voz -18 textos publicados antes en revistas e volumes colectivos-, Perdida luz (2000) e Exilio digno (2006) -con non poucas composicións en homenaxe a represaliados polo fascismo- completan O aire, a luz e o canto. En 2011, a Deputación de Ourense e a Xunta encargáronlle a Xesús Alonso Montero a antoloxía Quince sonetos de amor e once poemas máis. Nado en 1928 en Maside, Víctor Campío Pereira estudara no seminario de Ourense. Na facultade de Maxisterio da mesma cidade entrou en contacto con autores como Antón Tovar ou Pura Vázquez, que sobrevivían con discreción na escuridade franquista. Alí coñeceu unha figura decisiva para a conformación da súa escrita: o sacerdote antifranquista e poeta Faustino Rey Romero. Da súa experiencia no servizo militar extraería, moitos anos máis tarde, a súa única novela: Baixo o sol do Magreb (1998). Era fillo predilecto do seu concello natal e socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega. "O autor fixo da propia vida unha pulsión lírica", consideraba Miro Villar no mencionado comentario, "mais nunca se sitúa como personaxe central e protagónico. Outro testemuño máis da humildade que o caracteriza como persoa e como poeta, que o é". |
NOS_31315 | A Xunta defende a súa actuación no parque arqueolóxico mentres a oposición fala de "neglixencia" e "desleixo" na protección do patrimonio. | Esta cuarta feira (18 de febreiro) o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, deu conta da actuación da Xunta en relación aos danos causados pola maquinaria responsábel do mantemento do parque arqueolóxico de Campo Lameiro. Lorenzo foi inquirido polos grupos parlamentares do BNG e PSdeG-PSOE a respeito dos prexuízos ocasionados nun dos petróglifos, no concreto na rocha 1 da Laxe de Forneiriña á que lle pasou por riba un dos tractores que desenvolvían os labores de desbroce da zona. Para as forzas da oposición que "maquinaria pesada" actuase na contorna desta peza evidencia o "incumprimento" dos protocolos e urxiron a "incoación" dun expediente sancionador contra a empresa responsábel da xestión do parque, de acordo co fixado pola lexislación en materia de Patrimonio. "Alguén ten que responder", sinalou o parlamentar socialista, Francisco Caamaño. Desde o BNG, a deputada Ana Pontón apuntou directamente a responsabilidade do goberno galego na materia, tendo en conta, dixo, a actuación desenvolvida pola administración na xestión do conflito. Porén, para Anxo Lorenzo o executivo "non permaneceu impasíbel en ningún momento" e mesmo se debruzou sobre os pasos dados pola administración após ter coñecemento das denuncias públicas trascendidas na imprensa a respeito do dano causado no petróglifo. Unha actitude "neglixente", segundo a parlamentar do Bloque, por ter reaxido perante a "denuncia mediática" e non a iniciativa propia. Aliás, lembrou Pontón, foron elaborados dous informes distintos en que a valoración dos danos tamén distaba, sendo o último deles, realizado por unha equipa técnica, a que puxo en evidencia os prexuízos ocasionados na peza. Así as cousas, Lorenzo tildou de "pequeno" o dano e mesmo de "imperceptíbel". O conflito polo petróglifo extendeu as críticas da oposición sobre a xestión do conxunto arqueolóxico de Campo Lameiro após ser privatizado o servizo. Tanto o estado dos camiños, do alumeado como a falta de balizado nas pezas espertaron o interese dos grupos parlamentares que denunciaron o "abandono sistemático" deste emprazamento "único en Europa". Desde Cultura quitan ferro ao asunto afirmando que os "danos" ocasionados pola maquinaria son "pequenos" e "case imperceptíbeis", mais para BNG e PSOE evidencian as "deficiencias" na xestión de Campo Lameiro e mesmo a vontade do executivo de Feijóo por "tapar todos os desfalcos" da empresa concesionaria na protección do Patrimionio. |
NOS_47117 | O conxunto albivermello busca non pasar apuros. | Ano X na categoría de prata para un Club Deportivo Lugo que procura alcanzar o valor máis importante no mundo do fútbol: a tranquilidade. Logo de tres salvacións agónicas de modo consecutivo, o conxunto albivermello aspira a non pasar moitos apuros. A pesar de contar cun dos límites salariais máis baixos da categoría, o novo director deportivo lucense, Mauro Pérez, conseguiu fechar numerosas incorporacións que teñen a obriga de ocupar o espazo deixado por algúns dos homes con máis peso na pasada campaña, como El Hacen, Cantero, Rodríguez, Venancio, Djalo, Cristian Herrera ou Luís Ruiz, que contaron con minutos con todos e cada un dos catro adestradores que ocuparon o banco albivermello na 2020/21. O último deles continúa a ser o seu actual inquilino, Rubén Albés, quen conseguiu a salvación logo de sumar contra todo prognóstico 10 puntos de 12 posíbeis nos derradeiros catro partidos de Liga. O vigués de 36 anos ten por diante o difícil reto de converterse no primeiro técnico do Club Deportivo Lugo que remata unha tempada completa desde que Francisco o lograse na 2017/18. Nos exercicios seguintes, até oito adestradores diferentes -Javi, Monteagudo, Eloy Jiménez, Curro Torres, Juanfran, Nafti, Luís César e o propio Albés- desfilaron por un posto máis inestábel que a cotización das criptomoedas, dada a volatilidade do carácter do máximo responsábel do club, Tino Saqués. Para iso poderá contar con algúns dos homes chave na milagre da fin de tempada pasada, como Gerard Valentín, Hugo Rama ou Manu Barreiro. Ademais, tamén continúan o trío de capitáns -Pita, Seoane e Iriome, que suman 30 temporadas no primeiro equipo entre os tres- e unha miscelánea de novos talentos con veteranos con ampla experiencia na categoría, como poden ser Diego Alende (24), Canella (33), Escobar (23), Carrillo (27) ou Xavi Torres (34). Xunto a eles, unha serie de fichaxes nas que se nota a man de Rubén Albés, pois algúns deses nomes xa coincidiron con el na súa etapa como adestrador nas canteiras de Valladolid e Celta, como é o caso do talentoso mediapunta Josep Señé e do polivalente Juan Antonio Ros (Celta B), así como do estremo de 24 anos David Mayoral, un dos seus futbolistas fetiche, a quen tivo ás súas ordes no Valladolid Promesas, no UCAM Murcia, o Hermannstadt romanés e agora no Club Deportivo Lugo. Os outros homes que defenderán as cores albivermellas por primeira vez nesta campaña serán os de Whalley -porteiro maño que ten a difícil misión de tapar o xigantesco oco deixado por Ander Cantero-, Alberto Rodríguez, Joselu e Jaime Cuellar. Rodríguez, pola súa banda, é un central que triunfou no Tamaraceite canario é que aos seus 28 anos recibe a súa primeira oportunidade no fútbol profesional; Joselu, un vello coñecido da parroquia lucense e un goleador de garantías; e Cuellar, un estremo boliviano formado na canteira do Barça. |
NOS_57294 | O ex-ministro de Xustiza considera que o candidato é a "persoa ideal" e móstrase crítico cos apoios de Leiceaga, "que levaron o PSdeG á situación na que se atopa". | Méndez Romeu suma un novo apoio á súa candidatura nas primarias do PSdeG, a de Francisco Caamaño, ex-ministro de Xustiza no goberno de Rodríguez Zapatero e ex-secretario provincial dos socialistas da Coruña. Caamaño considera que o actual portavoz parlamentar do PSdeG é "a persoa ideal", mentres que se amosou moi crítico con persoas que apoiaron Leiceaga por entender que "levaron o Partido Socialista á situación na que se atopa". O ex-ministro considera Méndez Romeu como a persoa "con capacidade" de encontro entre as diferentes "sensibilidades socialistas" e que encabeza un "proxecto de futuro", para alén de ter un "programa político para Galiza que poña fin a estes anos de goberno de Núñez Feijóo". Tamén tivo eloxios para Leiceaga, de quen dixo que, como Méndez Romeu, é un "excelente candidato" para estar á fronte do PSdeG. "Aos dous lles teño afecto, mais postos a ver procesos de decisión, creo que hai diferenzas", aseverou. "A maioría dos apoios do candidato Leiceaga responden a un conxunto de persoas que levaron o Partido Socialista á situación na que se atopa, un conxunto de persoas incapaces de facer un proxecto creativo, ilusionante para esta sociedade, e sobre todo, de engadir persoas ao proxecto, mais ben foron quen de excluirlas, e algún exemplo directo agora mesmo poden ver en quen está falando". |
PRAZA_5938 | Nestas derradeiras eleccións apareceu unha agrupación política con forza, que pode contribuír a derrotar a estes partidos, e esa é unha noticia extraordinaria. Vai ser difícil o seu éxito, porque desta vez da a impresión que colleu algo durmidos ós poderes fácticos | Fai seis meses aproximadamente escribín un artigo "É España un estado democrático?" E trataba de demostrar que non, debido sobre todo a actuación dos aparatos, -castas lle chaman agora- dos dous grandes partidos PP e PSOE, e non lle atopaba doada solución para saír desta situación, polo inmenso poder que estes partidos acumulan, salvo que nunhas eleccións estes partidos perderan, e foran substituídos por partidos que non esten viciados de antemán. Nestas derradeiras eleccións apareceu unha agrupación política con forza, que pode contribuír a derrotar a estes partidos, e esa é unha noticia extraordinaria. Vai ser difícil o seu éxito, porque desta vez da a impresión que colleu algo durmidos ós poderes fácticos, tamén hai que ver, cando teña algún poder como actúa en serio en temas transcendentais como o paro, a corrupción, a Monarquía –por certo acaba de abdicar o Rey, o que significa que algo empézase a mover-, o dereito de autodeterminación dos pobos, a eliminación de institucións caciquís como as Deputacións e o Senado, etc. De tódolos xeitos o discurso democrático que expresan: limitación de mandatos dos cargos institucionais, primarias, listas abertas, que unha persoa non teña máis de un cargo público, limitación de grandes soldos, eliminar que cargos públicos, cando os abandonan, ocupen consellos de administración de empresas, que previamente nalgúns casos, foron favorecidas dende o anterior cargo, desprofesionalizar a política, transparencia, etc. son medidas que a inmensa maioría da xente estaba agardando. Moitas persoas imos seguir votando e traballando con organizacións políticas que teñan a súa sede no noso país, porque estamos convencidos que temas, como a nosa lingua ou a nosa economía, podémola defender moito mellor que dende Madrid, mais seguro que imos coincidir, e chegar a moitos acordos, na defensa de principios democráticos como os expresados anteriormente, que por certo algúns pequenos partidos xa víñamos defendendo e estaban no noso programa, e que si non triunfaron nas derradeiras eleccións, foi pola carencia de un líder moi carismático e especialista en dicir moi claros os mensaxes e por carecer de grandes medios, nos que puideramos transmitir estas ideas. Por certo Podemos non afectou o éxito do conxunto dos partidos con sede en Euskadi e Catalunya, entre outras razóns, porque teñen moitos máis medios de comunicación propios e neutrais. |
NOS_9489 | A estratexia de Feijóo é clara: fuxir do lume Bárcenas para disputar o liderado do partido a Esperanza Aguirre. En declaracións a xornalistas, Feijóo dixo hoxe que nos 90 -a época en que Pablo Crespo era o secretario de Organización do PPdeG e achegaba fondos provenientes da Gürtel- el nin sequera militaba no PP. | A estratexia de Feijóo aséntase sobre dous alicerces. Primeiro, non avalar a xestión do anterior presidente do partido e da Xunta, Manuel Fraga, para non verse salferida por ela. Segundo, si avalar a Rajoy, porque sen o apoio do aínda presidente do partido estatal e do Goberno español as súas opcións na carreira cara Génova diminuirían considerabelmente. Este domingo, nun breve encontro coa imprensa, en Lalín, Feijóo considerou normal a preocupación que desperta na oposición o pretenso financiamento irregular do seu partido e o cobro por parte dos seus dirixentes de cantidades en negro. Mais a seguir desvinculouse de toda responsabilidade coa xestión pasada e enfatizou que nos 90 -con Fraga como presidente e Pablo Crespo como secretario de Organización- "nen sequer militaba no partido", polo que non é a persoa máis axeitada para xulgar o que nel acontecía. Xa non é que deite dúbidas sobre a forma en que o PP se financiaba até a súa chegada á presidencia, é que practicamente dá por suposto que as prácticas irregulares eran a norma. Sobre Rajoy, feche de fileiras. A xuízo do presidente do PPdeG, onte Rajoy estivo contundente. "Non se lle pode pedir máis", dixo. |
PRAZA_14922 | O mallorquín Martí Monjo prepara unha accíón visual para lembrar o décimo aniversario do Prestige: o 3, 4 e 5 de xaneiro fará voar 80 papaventos negros nas praias do Rostro (Fisterra), do Coido (Muxia) e de Traba (Laxe). Busca voluntarios para coselos e voalos. | Cando un pensa na catástrofe do Prestige, dez anos despois, son moitas as imaxes que veñen á mente. Algunhas delas teñen que ver coas praias da Costa da Morte, o negro do chapapote, o vento que zoaba sen descanso ou a acción dos alumnos e alumnas dos centros de ensino que debuxaron na area a palabra vida. Este imaxinario está detrás da iniciativa que o artista mallorquín Martí Monjo vai levar a cabo na primeira semana de xaneiro. "Cumpríase o décimo aniversario da catástrofe e vimos que non se estaban organizando demasiadas actividades para lembrar o que sucedera" Trátase de voar 80 papaventos negros nas praias do Rostro (Fisterra), do Coido (Muxia) e de Traba (Laxe) para lembrar o décimo aniversario da catástrofe do Prestige e como homenaxe os milleiros de voluntarios e voluntarias que se chegaron á costa para limpar rochas e praias. "Isto xurdiu este verán", conta, "cumpríase o décimo aniversario da catástrofe e vimos que non se estaban organizando demasiadas actividades para lembrar o que sucedera". Martí Monjo xa traballou noutras ocasións con papaventos e leva moitas semanas tentando organizar a acción. Polo momento acadou o apoio de Nunca Máis pero escasa colaboración nos Concellos da Costa da Morte aos que lles solicitou axuda. Busca, polo tanto, voluntarios e voluntarias para voar os papaventos (teñen que ser 80, claro) e tamén para coselos. Explica que os papaventos negros son unha "metáfora da loita da xente contra todas as dificultades coas que atopaba a xente que limpaba as praias comezando polo vento". E engade que "os papaventos preséntanse aquí como esculturas móbiles e xeradoras de espazo, na súa condición de marcar e atrapar dito espazo. E a idea de marcar este espazo, o límite da costa, serve tamén como referencia á gran cadea humana que se realizou aquel 22 de xaneiro do 2003". Polo de agora está confirmada a acción en Fisterra o 5 de xaneiro. E nas vindeiras semanas espera poder pechar as citas de Laxe (4 de xaneiro) e Muxia (3 de xaneiro) e noutras praias se ao final o número de voluntarios é maior. Os e as interesadas en participar poden poñerse en contacto con el a través do seu blog e tamén nun grupo de Facebook. |
Subsets and Splits
No community queries yet
The top public SQL queries from the community will appear here once available.