ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_14599
Unha maxistrada da Audiencia Nacional pide á Unidade Central de Delincuencia Económica e Fiscal que investigue integralmente o asunto e que aclare certas cuestións respecto ás compañías Alu Ibérica LC SL e Alu Ibérica AVL.
A xuíza da Audiencia Nacional María Tardón vén de admitir a trámite unha querela presentada pola Confederación de Cadros Profesionais polo proceso de venda das plantas de tratamento de aluminio que Alcoa tiña na Coruña e en Avilés. Apenas uns días despois de que a Xustiza tombara o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) da multinacional americana para o complexo industrial de San Cibrao, na Mariña, Alcoa volve atoparse cun imprevisto nos seus plans para abandonar o Estado español. Tamén coincide no tempo co conflito existente entre o comité de empresa de Alu Ibérica (antiga Alcoa) da Coruña e a dirección, que fixo importantes acusacións sobre un grupo de representantes das e dos traballadores. A querela actual vai contra dez persoas físicas e nove xurídicas como Víctor Rubén Domenech e as sociedades Alcoa Inespal SLU, Alu Ibérica LC SL, Alu Ibérica AVL e Parter Capital Group. O sindicato entende que no acordo déronse feitos que, na súa opinión, "son constitutivos de delitos de estafa agravada, insolvencia punible, apropiación indebida, contra a seguridade dos traballadores e pertenza a grupo criminal". Así transcendeu esta terza feira ao coñecer o auto de admisión de Tardón, que ademais remite a información á Unidade Central de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) para que faga os seus estudos. "Ausencia de claridade" En concreto, solicita "unha investigación integral respecto das persoas físicas e xurídicas contra as que se dirixe a querela para o esclarecemento dos feitos e de forma previa a resolver sobre as dilixencias pedidas polos querelantes". Así mesmo, "tendo en conta a ausencia de claridade e concreción que se ve na querela", a maxistrada pide á Unidade que aporte información sobre a "titularidade real" de Alu Ibérica LC SL e Alu Ibérica AVL SL, as e os seus asociados, os órganos de administración e representación, o capital social ou a situación económica, entre outras cuestións. Un proceso con certa complexidade No contido ao que tivo acceso Europa Press, fálase dos 688 traballadores e traballadoras afectadas polo cambio de mans e de que a investigación dispón dun informe a favor da Fiscalía. A Audiencia Nacional considérase competente para tratar este asunto por afectar a dous territorios do Estado español. O sindicato denunciante defende que "Alcoa enganou aos sindicatos representantes dos traballadores no marco da negociación da extinción colectiva da relación laboral, eludindo o abono das súas responsabilidades empresariais, abocando á insolvencia das unidades produtivas, para a súa transmisión lucrativa a terceiros". Neste caso, fala de Parter e de Alu Ibérica. Alcoa decantouse polo fondo Parter Capital Group -e tamén presentou como opción a Riesgo-, deixando á marxe outras opcións con solvencia. A venda completouse o 31 de xullo do ano pasado pero a Confederación de Cadros Profesionais afirma que "nunca" tiveron coñecemento "formal do contrato polo que se levou a efecto" o acordo. Logo déronse varias modificacións "de forma inmediata e consecutiva á venda" que, para eles, amosa a "actividade defraudadora" pola que presentaron a querela. Unha das cuestións polémicas ás que aluden para xustificar a decisión é o cambio de nomes e o baile de cifras que se puxeron sobre a mesa. Sosteñen, entón, que "levaron a que a titularidade das dúas factorías termine en mans de empresas pantalla sen capacidade nin para levar a cabo o plan de negocio, nin o pago dos salarios, nin a inversión".
NOS_25747
O Goberno central atendeu finalmente á mobilización social, das entidades en defensa da memoria histórica e dos partidos da oposición e presentou unha demanda nos Xulgados da Coruña para recuperar a propiedade pública do Pazo de Meirás. BNG e En Marea aplauden a decisión pero comprométense a vixiar os pasos do Executivo. Feixoo, no entanto, percibe dificultades para que a Xunta se sume á causa xudicial.
O deputado do Bloque Luís Bará, responsábel do proxecto de lei de memoria histórica da súa organización, esixiu "valentía" a Sánchez. "Cómpre manter a presión social e a política ante uns herdeiros do ditador que xa demostraron a capacidade que teñen para impoñer as súas teses", dixo en referencia á familia Franco. Desde o grupo parlamentario de En Marea, Antón Sánchez quere ademais que a Xunta se persoe no procedemento xudicial. "Ten que ser parte lexitimamente interesada por se a Administración que custodia o BIC [ben de interese cultural] e polo interese político de todos os galegos e galegas", entende Sánchez, quen definiu o movemento do Goberno estatal como "un fito na loita dos colectivos da memoria e da sociedade civil, que levan moitos anos pelexando pola recuperación deste símbolo da ditadura e da represión". Bará, non obstante amosouse cauto e referiuse a que "non está todo logrado, depende do percorrido que a Xustiza lle dea á demanda. Convén estar alerta e que haxa unha gran mobilización social e unha gran demanda política para que a expectativa chegue a bo porto". O BNG, sinalou, quere que o Executivo socialista "faga todas as modificación legais para que se recoñezan estes feitos como o que foron": un espolio derivado da vitoria fascista na Guerra Civil. O parlamentario nacionalista puxo ademais dous nomes propios sobre a mesa das contribucións a denunciar o roubo, o da ex vicepresidenta da Deputación da Coruña Goretti Sanmartín e o do historiador Carlos Babío, e mais o da Asociación da Coruña de Recuperación da Memoria Histórica e a Xunta pro Devolución. Feixoo ve dificultades en que a Xunta faga parte do procedemento O presidente da Xunta, porén, ve "dificultades de lexitimación" para que o Goberno galego se persoe no procedemento. Así o manifestou esta quinta feira, 11 de xullo, tras o Consello. Engadiu que, con todo, a asesoría xurídica estudará "se é posíbel ou non" facelo.
NOS_26558
O presidente da Xunta reclama medidas que favorezan a integración persoal e familiar das persoas retornadas, así como facilidades no proceso de volta á Galiza.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, enviou esta semana unha carta ao ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá, para reclamarlle medidas que eliminen "atrancos" e favorezan a "integración persoal e familiar" das persoas emigrantes retornadas, así como o proceso para volver á Galiza. Tal e como informa o Goberno galego nun comunicado, trátase dun acordo aprobado no Parlamento galego no seo do último Debate sobre o Estado da Nación, celebrado a mediados de outubro. O acordo avogaba por erradicar circunstancias que "dificultan" o retorno das persoas emigrantes a través de plans estatais específicos de acceso á vivenda, a axilización do procedemento de homologación de títulos universitarios obtidos no exterior, e a redución e axilización de trámites de concesións de permisos de residencia e traballo aos cónxuxes e descendentes que non teñan a nacionalidade. Así mesmo, reclama a eliminación das "desigualdades" coas que a lexislación fiscal estatal grava aos emigrantes e aos retornados. Neste sentido, o acordo tamén recolle unha petición de "mellora" da información e os criterios de aplicación da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT). Non en balde, tamén reclama a dotación dun financiamento "adecuado" ás comunidades autónomas para que poidan mellorar as medidas que teñan en marcha, co obxectivo de que complementen "o escaso labor" do Goberno de España neste ámbito, tal e como recolle o acordo do Parlamento. Estratexia galega de retorno A Xunta, afirma Feixoo no escrito, traballa de "xeito decidido" no regreso da colectividade do exterior desde 2018. Desde entón, facilitouse a volta de 22.000 galegos e galegas que viven noutros países coa aplicación de 64 medidas e un "importante" esforzo orzamentario, "o que permitiu que Galiza sexa un referente en atracción e consolidación do retorno", en palabras de Feixoo. Ademais, o mandatario galego avanzou que o seu Executivo continuará traballando neste sentido cunha nova estratexia de retorno para os próximos catro anos. De feito, o presidente da Xunta ve nesta colectividade unha "oportunidade" para "superar o complexo reto demográfico", á parte da "inigualábel vantaxe competitiva" que supón a incorporación de persoas que "achegan toda a súa experiencia e formación" a empresas e universidades. Con esta carta, o Feixoo insistiu en que a plena integración das familias retornadas depende tamén dun "compromiso real" por parte do Goberno estatal a través de políticas activas e a "eliminación de moitas das barreiras" que o "dificultan enormemente". "Se non existe un compromiso real para actuar sobre todas esas áreas por parte do Goberno de España, todo o esforzo da Galiza non será suficiente", advertiu.
NOS_54096
A liña Santiago-Ourense foi apresentada falsamente como Ave en decembro de 2012, na súa inauguración. Nela, xa con Rajoy na Moncloa, foron convidados por seren responsábeis do seu deseño e execución Álvarez Cascos e José Blanco.
A liña Santiago-Ourense foi apresentada falsamente como Ave en decembro de 2012, na súa inauguración. Nela, xa con Rajoy na Moncloa, foron convidados por seren responsábeis do seu deseño e execución Álvarez Cascos e José Blanco. Na conferencia de imprensa posterior ao consello da Xunta, Feijóo dixo literalmente: "Se cada vez que hai unha novidade temos que intentar levar ao Parlamento a dor das vítimas para botalo enriba dun partido político que estivo xestionando e deseñando esa vía nese momento, dende logo, comigo que non conten". Reférese ao PSOE e, en concreto, ao ministro José Blanco. Oculta Núñez Feijóo as responsabilidades do PP na concepción e deseño da liña Santiago-Ourense, en orixe obra de Álvarez Cascos. No seu momento o PP non só non o ocultaba, senón que até convidou ao ex ministro ao acto de inauguración dunha liña que foi falsamente apresentada como AVE (non o é polas condicións da infraestrutura, co mantimento dun trazado -o de entrada a Santiago, coa curva de A Grandeira na que se produciu a catástrofe- con ancho de vía ibérico e non internacional). En realidade, as responsabilidades políticas salpican o PP e o PSOE por igual. Oculta Núñez Feijóo as responsabilidades do PP na concepción e deseño da liña Santiago-Ourense O proxecto inicial Santiago-Ourense foi encarregado en decembro de 1999 e aprobado definitivamente en abril de 2003. Foi nesa data cando ficaron definidos o trazado e as características básicas de seguranza. A fase de construción desenvolveuse cos ministros do PSOE Magdalena Álvarez e José Blanco. Foi nesta etapa cando se tomou a decisión de non instalar o ERTMS na curva de A Grandeira. Voto negativo, abstención Precisamente iso -que as responsabilidades atinxan por igual a PP e PSOE- é o que explica que estes partidos políticos se teñan oposto -o PP co voto negativo, o PSOE coa abstención- a que se constitúa a comisión de investigación. Feijóo, até agora ausente no asunto, ao que non se ten escoitado unha palabra de petición de responsabilidades nen a Renfe nen ao Adif, reapareceu en escena cun ataque ao PSOE, pouco meditado e que deixa moito flancos libres para o contra-ataque. O PsdeG-PSOE cualificou de "gravísimas" as palabras de Feijóo e pediu unha rectificación.
NOS_12648
ProLingua mostra o seu apoio ás doce mulleres e homes que serán xulgad@s esta terza feira 20 de maio por "defender a lingua dun ataque extremista". Fiscalía pide 45 anos de cadea máis sancións económicas no que definen como "un abafante contexto de regresión da liberdade de expresión.
A asociación ProLingua solidarízase coas doce persoas que serán xulgadas este 20 de maio acusad@s de desordes públicas e resistencia á autoridade polos acontecementos que se produciron na xornada do 8 de febreiro de 2009 na que Galicia Bilingüe convocara unha manifestación contra a normalización do galego á que asistiran o ultra Sáenz e Ynestrillas ou Rosa Díez, testemuñas no xuízo. Ao seu ver, as persoas que se manifestaron na defensa da lingua, foron controladas, identificadas e algunhas delas detidas, fronte ao trato que recibiron aquelas que se manifestaban contra a legalidade arredor da lingua. "Sete anos de cadea por defender a lingua galega dun ataque extremista? Catro anos en prisión por se manifestar na rúa? Identificados e aldraxados polo simple feito de falaren galego? Apreixados por berrar contra os que vulneran as normas de convivencia das que nos dotamos as galegas e os galegos?", pregúntanse desde ProLingua, entidade que emitiu un comunicado no que denuncian tamén a "xudicialización dunha realidade que só fixo agravarse nos últimos cinco anos e que sitúa a lingua de Galicia nunha das etapas máis regresivas da súa normalización". Retirada dos cargos Demandan a retirada de todos os cargos contra as doce persoas encausadas xa que consideran o seu xuízo un "proceso político que converte os agredidos en agresores, que retrata o galego coma unha lingua imposta, e que subverte os termos dun suposto confrontamento lingüístico que só existe no ánimo duns poucos, xusto aqueles que reclamaban aquel 8F "libertad para decidir". ProLingua lembra o apoio do PP á manifestación de Galicia Bilingüe un mes antes das eleccións autonómicas e destaca que o xuízo prodúcese igualmente en plena campaña electoral.
NOS_14653
Eis un guieiro por distintos eventos para enchermos de contido o tempo de lecer nesta fin de semana.
Concerto de Música Medieval Ribadavia Igrexa de San Domingos Esta sexta feira. 20.00h O grupo especializado en música antiga Pres de Cambrai estará na XXX edición da Festa da Istoria, na fermosa igrexa de San Domingos, xunto ao Coro da Istoria. Xabier Díaz &Adufeiras de Salitre Carballo Praza do Concello Sexta feira 22.00 Xabier Díaz e o grupo Adufeiras de Salitre presentan o seu novo traballo musical, Noró, unha auténtica homenaxe ás músicas e xentes do norte. V Festival Agrocuir da Ulloa Monterroso Diversos espazos Sexta feira e sábado Este festival, que reivindica a diversidade sexual no rural, inclúe concertos, obradoiros, contacontos, feira, teatro e actividades para as crianzas. Festival de Jazz de Ponteareas Ponteareas Diversos espazos Sexta feira e sábado Nas rúas do casco urbano contarán coas actuacións de Brais Sergio Gus Trío, Dous, Voodoo, Mr. River, Ejazz, Alberto Vilas Quartet e Diana Tarín. XVII Festival Noite da Lúa Meiga O Viso, Redondela Monte do Outeiro 25.08.2018 A partir das 10.00h Roteiro musical e subida ao monte, sesión vermú, xantar popular, xogos, espectáculo de Paco Nogueiras, Duende Circo, e actuacións de Cé Orquestra Pantasma, Radio Cos e Tiruleque. X Feira Rural e IV Sons na Cortiña San Sadurniño Arboreto galego da Cortiña Sábado e domingo A partir das 10.00h O paseo fluvial do Xuvia acolle dúas citas imperdíbeis os días 25 e 26 de agosto, a Feira Rural e o festival Sons na Cortiña. A Feira Rural celebra, o sábado 25 de agosto, dez edicións promovendo o sector primario e a sustentabilidade. O domingo 26 daranse cita a música e o lecer na IV edición do Sons na Cortiña, que inclúe circo, obradoiro de percusión, xogos e actuacións de De Ninghures, Peter Punk, A Gramola Gominola e Pablo Balseiro e Os Cascarillas.
PRAZA_814
ENTREVISTA Berri Txarrak tocarán en Santiago de Compostela este sábado 11 de abril na Sala Capitol. Ramón Mariño fala co cantante da banda, Gorka Urbizu.
A banda Berri Txarrak (Malas Noticias) naceu hai vinte anos en Lekunberri (Nafarroa). Cantando en éuscaro e cun estilo que a moita xente lle custa clasificar, foron abríndose camiño mesmo no panorama internacional. A proba disto está na produción do último disco, Denbora da poligrafo bakarra (O tempo é o único polígrafo), unha biblioteca de tres minidiscos cada un co seu estilo e produtor propios: Ross Robinson, Ricky Falkner e Bill Stevenson. Berri Txarrak tocarán en Santiago de Compostela este sábado 11 de abril na Sala Capitol, acompañados de Superoito. Neste concerto presentarán o último disco e traballos anteriores. Para falarmos disto, contactamos co cantante da banda, Gorka Urbizu. Despois de vinte anos tocando e con oito discos detrás, seguides desfrutando da mesma maneira o perdestes a parte lúdica de tocar? Non perdemos a parte lúdica, aínda que agora é diferente porque controlas máis o instrumento e temos mellorado coma músicos. Iso dáche unha confianza no escenario que che permite vivilo máis. Desde logo que perdes un punto de inocencia que tamén lle viña ben ao rock. Nos comezos, cando aínda non tes nada consolidado, nacen cousas moi interesantes, mais iso non se pode perpetuar no tempo. Pero nós seguimos gozando moito. Esta é unha das mellores profesións que podes ter. "Un trío ten algo máxico, algo que para min é atractivo. Como músico economizas cos amaños, mesmo penso que te fai mellor músico. Con máis guitarras tés máis capas, pero nun trío traballas máis e sae todo moi compacto" Berri Txarrak comezou como cuarteto e agora é un trío. Isto foi unha formación buscada ou foi cousa de ir probando ata chegar ao que queriades? O trío formouse porque non quedaba outra. Cando aínda eramos cuarteto, decidimos botar para adiante, deixar os nosos traballos e abrirnos cara a escena internacional e foi cando o guitarrista daquela decide deixalo por motivos persoais. Logo fixemos probas para meter a alguén e ao final vimos que en trío estabamos cómodos e así levamos dez anos de banda. É unha desas casualidades que fan que agora mesmo non cambiaría por nada. Un trío ten algo máxico, algo que para min é atractivo. Como músico economizas cos amaños, mesmo penso que te fai mellor músico. Con máis guitarras tés máis capas, pero nun trío traballas máis e sae todo moi compacto. "Non me gusta ser clasista co noso público. Vemos xente que nos seguía desde o comezo e agora están nas filas de atrás e diante temos mozos e mozas de entre quince e vinte anos que ao mellor viven o seu primeiro concerto contigo" Sentides cambios desde o público tanto sobre os vosos discos como nas actuacións en directo? O que si aconteceu é unha ampliación da audiencia de Berri Txarrak. Se fago unha descrición máis gráfica diríache que tamén ten a ver con onde tocabamos. Ao comezo non saiamos de Euskal Herria, mais cando fomos saíndo cara fóra e aumentando a táboa de sons, o público tamén foi aumentando. Iso séntese porque ves xente que seguiu punk, hardcore, metal e outros estilos. Non me gusta ser clasista co noso público. Vemos xente que nos seguía desde o comezo e agora están nas filas de atrás e diante temos mozos e mozas de entre quince e vinte anos que ao mellor viven o seu primeiro concerto contigo. Nunha entrevista que subiron á rede dicías que para ti o rock deixa de ser interesante cando perde o risco. Que risco é ese? No último disco o feito de telo gravado en tres partes e co teu selo propio, hoxe por hoxe é case coma unha boutade, unha provocación. Máis nestes tempos onde prima o single e cando todo vai tan axiña. Pois iso, facer un disco triplo e que haxa xente que só o escoitará unha vez na súa vida, xa é abondo provocación e é cuestión de risco tamén. Hai risco estilístico, neste último traballo a parte que elaboramos con Ricky Falkner rompe co que viña sendo Berri Txarrak ata o de agora. Non tiñamos por que arriscarnos pero ese desexo de experimentar é positivo e finalmente os fans de Berri saben aprecialo. Somos unha banda que quere tentar con cousas novas e por iso arriscamos, non queremos vivir de rendas repetindo fórmulas. "Hai risco estilístico, neste último traballo a parte que elaboramos con Ricky Falkner rompe co que viña sendo Berri Txarrak ata o de agora" Falabas tamén de Sarrionandia como primeira grande influencia nas túas creacións. Supoño que haberá a día de hoxe máis autores e autoras. Pero cal é o ingrediente dun texto que te move para escribir unha letra? Sarri foi quen me abriu á poesía. Nas letras de Berri hai unha intención poética, non digo que sexa poesía porque para iso fan falta outro tipo de actitudes e ao mellor eu non as teño e a mesma música pode marcarche outro ritmo diferente. A poesía sempre é máis libre que a música. A min interésanme as letras que deixan marxe para a interpretación, figuras que ti tés que completar. Douche os puntos, completa a liña e así cada quen tira a súa conclusión. Tampouco uso só a poesía, senón que busco máis no día a día, na política, nas cuestións sociais, ideas universais e tamén máis persoais, soidade, amor ou medo. Pero ás veces acontece que les un poema ou un texto e de súpeto ves unha canción detrás. Pensas aínda que a poesía e a música son a vinganza dos tímidos, como dicías na entrevista que che mencionaba antes? Home, no meu caso pois haiche un pouco diso. Eu son tímido e ás veces un ten a sensación de dicir o que calas nas cancións. Tamén está o efecto terapéutico de crear. Se non compuxera música estouraría por dentro. O rock como actitude sempre debería ter esa conciencia crítica e esa postura de "vós tedes a vosa versión pero eu teño esta outra". "A min interésanme as letras que deixan marxe para a interpretación, figuras que ti tés que completar. Douche os puntos, completa a liña e así cada quen tira a súa conclusión" Coinciden os gustos e as influencias de cada un na creación dun disco? Pregúntocho porque unha vez dicías que gustos e influencias non son sempre o mesmo. Temos a sorte tanto Galder (batería), David (baixo) e eu de sermos grandes consumidores de música e iso fai que teñamos a mente aberta e tamén que tiremos polo mesmo camiño. Non hai semana que algún traia un disco e así descubrir cousas novas e grupos interesantes. Tamén é unha cuestión de actitude, porque cando o artista dá por sentado sabelo todo, é cando esmorece. O noso segundo disco chamábase Ikasten que significa "aprendendo", é algo significativo para nós ir aprendendo e que leves vinte ou vinte e un anos tocando e vexas que melloras e comprendes a mecánica dunha canción. Aínda así, é un misterio a creatividade ou atopar a clave da creación. Con todo o tempo que levades traballando, pensastes algunha vez en "paramos un ha tempada a ver que é o que pasa"? Moitas veces temos tido esa tentación. Imos a toda velocidade, desfrutando moito pero tamén vas cambiando de visión moi rapidamente e vés que acontecen cousas moi bonitas. Eu que sei, estivemos de xira por Europa e aos dous días xa estabamos en México, non tivemos tempo de estar na casa. Estás seguido na estrada. Tamén quero reivindicar iso, botar tempo na estrada. Na música hoxe por hoxe, prímanse outras cousas e actitudes como o éxito rápido. Para min o rock é iso, subir a unha camioneta e tocar. No sofá da túa casa podes estar moi cómodo pero non van pasar moitas cousas. "Para min o rock é iso: subir a unha camioneta e tocar. No sofá da túa casa podes estar moi cómodo pero non van pasar moitas cousas" Que vos asusta e que vos agrada da música actual? Home, sorprende ver a maneira de consumir música, o tema dos formatos pero tamén sorprende de maneira grata ver que todo iso non pode substituír unha boa canción ou bo directo. Aínda non houbo quen ou que substitúa iso. Preservar o misterio na creación musical xa me parece sorprendente nun tempo no que cambian as cousas de maneira tan rápida. No 2010 gañades o premio á mellor canción punk nos International Music Awards, despois leo nalgunhas webs que vos meten no xénero metal. Serve de algo encaixar a unha banda nun xénero moi concreto? Para min non. Sempre caemos no tópico de que ao artista non lle gusta que o enmarquen. En Berri Txarrak é complicado etiquetar cun só nome toda a gama de sons que temos na banda. Somos unha banda heteroxénea, de dicir as cousas directamente e podes caer nas túas contradicións e que tampouco chegues a cambiar o mundo. Polo menos a nivel de estilo, e tampouco é unha cousa que me interese para nada. Onte eu vía que nos confirmaron para o Resurrection Fest de Viveiro e xa había comentarios da xente poñéndonos como punk-rock. Pero iso a min tanto me ten. É certo que ás veces a xente tamén precisa dunhas directrices para teren unha idea. O novo disco que presentades, "Denbora da poligrafo bakarra" (O tempo é o único polígrafo), dividístelo en tres partes diferentes con tres produtores distintos. Foi a maneira de reflectir diversos estilos internos que non couberon nun só disco? Isto foi un xogo que nos permitimos por ser o vinte aniversario da banda e por facer unha cousa distinta a un disco normal. Xuntas a vontade de facer un tipo de música e facer outro e logo experimentar. A nosa mensaxe era celebrar o vinte aniversario facendo vinte cancións. Pero tamén está crear algo para os tempos nos que vives. Tamén era unha maneira de repartir as vinte cancións en tres discos dándolle a cada un a súa propia enerxía. Tamén está o tema dos produtores, o de confiar nun oído alleo que te pode levar a outras atmosferas. Hai mil maneiras de soar pero para min o son non é un fin, é un medio. Creo que o importante é cando estás gravando con alguén que fixo discos importantes e todo o que aprendes. Colaborastes con bandas como Rise Against, KOP ou Boikot, que vos aportaron estas colaboracións? Son feitos musicais que marcan para sempre, sobre todo con Rise, que foi unha historia incrible. Como un grupo de punk-rock de Chicago co que acabas colaborando e facendo as letras do punk-rock máis boas que oín. Logo segues mantendo esa amizade e iso leva a facer xiras con eles por toda Europa. Logo de vinte anos estas cousas son as que quedan. "O problema está en ser cativo, como o éuscaro, que moita xente querería metelo nunha caixa dentro dun museo e só sacalo para o folclore. Como algo morto, está aí pero non serve para facer algo contemporáneo. Para iso está Berri Txarrak e outras bandas" Agora toca a pregunta do millón: Cantar en éuscaro marca? É un selo de identidade. Moita xente pregúntanos que sería de nós se cantásemos en inglés ou español. Ninguén ten a resposta. Todo apunta que sería máis doado saír ao mundo cantando noutra lingua, pero non é cousa que nos quite o sono. Para min o importante é o feito cultural de sermos un grupo polisón. Porque a lingua do rock é o inglés e, se non, as linguas-estado coma o español ou o francés. O feito de ser unha banda que cante nunha lingua distinta é positivo, como sería positivo se houbese máis bandas que saísen deses parámetros e estivesen máis activas. O problema está en ser cativo, como o éuscaro, que moita xente querería metelo nunha caixa dentro dun museo e só sacalo para o folclore. Como algo morto, está aí pero non serve para facer algo contemporáneo. Para iso está Berri Txarrak e outras bandas. Sempre dixen que nós non tomamos a decisión de cantar en éuscaro, senón que xa había unha escena antes nesta lingua, como Negu Gorriak ou Su Ta Gar. Hai que valorar á xente que rompeu os moldes ao comezo. Logo vimos xente como os Berri que levamos a bandeira máis alá ou somos o referente a día de hoxe con todo o que iso trae canda si. Tamén é certo que cando comezas a cantar en éuscaro case que entras nunca caste de resistencia. Nós vimos desde Lekunberri en Nafarroa, onde os dereitos lingüísticos non están garantidos se es euskaldún. Se queres estudar en éuscaro tes que pagar. Mesmo institucionalmente foi unha lingua perseguida. Pero nós tiñamos claros cales eran os nosos desexos con respecto a este tema. "Cando comezas a cantar en éuscaro case que entras nunca caste de resistencia. Nós vimos desde Nafarroa, onde os dereitos lingüísticos non están garantidos se es euskaldún" Tedes xa marcados novas metas para cando acabe a xira e presentación do disco? Non, aínda non. Estivemos co piloto automático no 2014 gravando. Foi un ano de moito local. Pero agora polo menos estamos desfrutando moito dos directos. Despois xa pensaremos no seguinte paso. As xiras están indo moi ben e vense os froitos mesmo no estranxeiro.
NOS_40029
O Festival Internacional In Spiritum de Música e Contemplaçao na Cidade do Porto conta con dous parceiros na súa segunda edición. O Festival Espazos Sonoros da Galiza e o Música Antiga de Diamentina no Brasil.
Desenvolverase en Porto do 30 de abril ao 3 de maio e contará con dous parceiros que afortalarán a súa internacionalización. O Festival Internacional In Spiritum, de Música e Contemplación do patrimonio arquitectónico da cidade de Porto entra en parcería co Espazos Sonoros da Galiza e co Música Antiga de Diamentina, no Brasil, os dous no ámbito da lusofonía. O Fetival de Porto tomou precisamente como modelo o Espazo Sonoros galego e o paso adiante na relación entre os dous eventos, ten como obxectivo fomentar o intercambio artístico e técnico ademais de afondar na comunicación de públicos entre o Norte de Portugal e a Galiza. A produción do festival de Porto conta de novo coa asesoría da empresa galega de xestión cultural Sigo Torcendo que organiza o Espazo Sonoros. A comunicación artística entre ambos eventos xa se fixo notar nas anteriores edicións dos dous festivais ao, por exemplo, participar no galego o organista Marco Aurélio Brescia, director do In Spiritum, cun concerto na igrexa de Iria Flavia ademais de intervir na rolda pola paisaxe organística galega. Para esta edición do festival de Porto, o artista e deseñador de lámpadas galego, Arturo Álvarez fará unha instalación de luz para o concerto inaugural no salón Árabe do Palácio da Bolsa. A fin de semana longa do 1 de maio, Porto terá un maior aliciente para atraer público co programa de concertos de música antiga, clásica, órgano e música contemporánea coa posibilidade de descubrir a través da música distintos espazos do patrimonio portuense. No programa destaca a interpretación da obra gañadora no concurso da primeira edición do festival, composta para os órganos históricos, recén restaurados, da Igreja dos Clérigos, símbolo da cidade. Será na clausura do festival e preséntase como estrea mundial.
NOS_37986
Denuncian que o mes de maio houbo pagamentos de 20 e 30 euros e que a empresa non está a confeccionar os recibos das nóminas.
O conflito de Alu Ibérica, herdeira das antigas plantas de aluminio de Alcoa na Coruña e Avilés, lonxe de suavizarse coa intervención xudicial, segue sumando novas frontes de batalla. A última, relativa ás nóminas do mes de maio, nas que os traballadores e as traballadoras se atoparon con importes irrisorios "de 20, 30 ou mesmo cero euros". Así o denuncia o presidente do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, en declaracións a Nós Diario. Explica que, ademais de que o traballador "recibe nada ou case nada", tampouco ten un recibo que lle permita xustificar a súa vinculación como persoal laboral da empresa. A representación dos traballadores e das traballadoras non atopa "explicación ningunha" a este comportamento por parte da empresa ─coa que non teñen comunicación─ e que tamén xera unha "situación insostíbel" nos propios sindicatos que, indica, están sen cobrar as cotas das persoas afiliadas que recolle a empresa. "A preocupación é máxima", admite López Corbacho, que xa adianta que van presentar unha denuncia ante a autoridade laboral. "Vimos dunha situación onde xa nin se estaban a confeccionar os recibos de nómina. Agora empezan a confeccionalos, pero non os entende ninguén", argumenta. Audiencia Nacional Mais as súas queixas non van quedar na Inspección de Traballo, que vai ter que investigar e esclarecer o acontecido coa nómina de maio, aínda non cobrada por parte do cadro de persoal. O comité tamén ten previsto trasladar a situación á Audiencia Nacional para que "constate" estes feitos e tome "medidas alternativas a esa intervención no ámbito financeiro". Refírese o presidente do comité á tutela xudicial das plantas decretada pola Audiencia que, como relata, "só afecta ás decisións de máis de 20.000 euros. No ámbito laboral, comercial e industrial ségueas a tomar a mesma xente", lamenta. Na súa opinión, a tutela "ten que estar noutra dinámica, con máis control sobre as persoas quen está a tomar as decisións na empresa; decisións de máis calado, porque o que hai non chega, e os que o están a sufrir son os traballadores", afirma. "Estamos nunha situación de desamparo", indica López Corbacho, e "só nos queda abrir procesos xudiciais sobre outros". Deste modo é como aspiran a reclamar os salarios que lles deben, a exixir que se confeccionen os recibos das nóminas "conforme estabelece a lei", e a buscar "o máximo amparo posíbel" nos dereitos dos traballadores e das traballadoras. "Non nos queda outra", recoñece. A vía da intervención "Está todo tan xudicializado que as decisións teñen que saír doutro lado", dixo o responsábel sindical, unha idea na que coincide o conselleiro de Economía da Xunta, Francisco Conde, que esta terza feira sinalou que "independentemente da intervención xudicial, o Executivo estatal ten que convocar a mesa industrial" para "poder constatar se efectivamente se cumpriron todos os compromisos que o propio Goberno avalou" na venda das antigas factorías de aluminio de Alcoa na Coruña e Avilés.
PRAZA_5
Cuba, sobreexposta e oculta, precisa dun pulo fronte ó lugar común. Palabras, imaxes, espazos e xentes, permaneceron e permanecen bloquedadas. Para contar unha realidade diversa, lonxe da homoxeneidade que convirte a illa nun parque temático, precisamos múltiples guías para construír unha mirada desprexuizada.
Cuba, sobreexposta e oculta, precisa dun pulo fronte o lugar común. Palabras, imaxes, espazos e xentes, permaneceron e permanecen bloquedadas. Para contar unha realidade diversa, lonxe da homoxeneidade que convirte a illa nun parque temático, precisamos múltiples guías para construir unha mirada desprexuizada. Trala derradeira urxencia mediática ̶ nestes intres expándese unha gran protesta virtual que esixe saber da situación da artista Tania Bruguera trala súa detención ̶ atopamos unha illa poética contra os estereotipos do común. A poesía que desbloquea a realidade é un antídoto contra o turismo e as consignas pechadas. A poesía obríganos a observar tralos reflexos do ollo dourado e deslumbrante da Revolución. A poesía escrita neste inicio de século guíanos na interpretación do territorio e os últimos poetas cubanos son, ademais, intérpretes certos da súa época. Neste glosario poético contra o lugar común, desaparece a mirada turística, tamén os reflexos dourados, a través duns termos simbólicos, clásicos no imaxinario cubano, anovados en versos escritos pola nova xeración, os poetas permítennos unha mirada limpa través de antigos buracos. AUGA: «Durante toda a tarde agochábame, / case sen respirar, para que non me atoparan, / sepultada, na caixa de auga». A poeta Liudmila Quincoses fai referencia á construcción do corpo no xogo de agocharse e adaptarse a espazos contenedores de auga. O corpo é agua como todo o que a rodea. A auga, é un elemento primordial tamén na última fornada de poetas, anega todo o mundo simbólico, a súa relidade é esencialmente líquida. DIVERSIDADE: O crítico Walfrido Dorta aposta por unha literatura cubana lonxe dun capital simbólico esgotado, relacionado coa mirada turística que transforma a illa nun parque temático. A Dorta interésanlle os poemas que articulan «unha impersonalidade, unha impoliticidade» coma este de Michael H. Miranda cunha forte referencia migratoria: «Aves cruzando / cara o son da neve» ou os versos de Edwin Reyes Zamora: «porque o discurso político / ténsase / entre dous puntos / e o discurso poético / creba esa liña». ILLA: Os novos poetas actualizan insularidade dende a quietude coma Derbys Domínguez no seu libro Residuo: (a illa é) «un barco que se detivo fai séculos na auga / e nada, nin o forte vento pode movelo»; ou a ciencia ficción de Aymara Aymerich: «no Cabaret hai certos problemas migratorios e algunhas inspeccións de rutina nas fronteiras, mais Vostede posúe vantaxes: o seu ticket foi e será durante o TEMPO: personalizado e de balde»; e tamén é posible dende a enfermidade coma propón Jamila Medina: «Una illa é unha estreita fenda / a xente arreconchégase nos costados a saborear o infinito / a peor enfermedade dos sus habitantes / sobrevén cando desexan voar». MULLER: Lizabel Mónica escolle unha acción cotián e tradicionalmente feminina para visibilizar a restricción que mermou a participación da muller, e por extensión a dos esquecidos, no público e na historia: A costura é invisible para quen non usou a agulla sobre as vestiduras. Permanecen entre as mans, no tecido da pel que fixo contacto coa pequenísima ferramenta metálica, as historias da laboura, os pespuntes abortados, as rupturas, o entrecruzarse, o azar dito polos nudos. A agulla cala máis do que di. A agulla xoga a agochar. E riba de todo xoga a descoñecer o buraco e as entradas. MEMORIA: «Ollo unha vella fotografía. Acumuláronse demasiados silencios na madera que rozo, na roupa que trouxeron de Rusia, na memoria». O silencio, os esquecidos e os desaparecidos, abroian e condicionan a reintepretación do colectivo nos versos de Leymen Pérez: Tamén vivimos nunha esfera. Ainda non nos devolveron as balsas, aqueles bultos, os seus soños. [...] Durmen, quizabes algúns digan palabras, outros cepillan os dentes ̶ por esta idade non son tan amarelos ̶ . Fuman, dan bicos, tamén trocan grolos. Agora sei. Si, sei. Que eles foron, foron, serán valentes. Agora sei. Que non hai poder nos calzóns sen corpos, que non hai mar sen afogados. Eu escribo destes tempos, vostedes deambulen. Eu descubro algunha beleza nuns ollos riscados, falo. Vostedes entréguense. Amén. SILENCIO: A linguaxe poética da nova xeración cruza o silencio, posúe múltiples formas e centros que absorben tempos e obxectos perdidos, lugares soñados, persoas desaparecidas, xeografías herdadas e simbólicas anegadas pola auga. O discurso que move a linguaxe e o pensamento, comunica segredos e avisos contra o poder coma nestes versos de Demián Rabilero: Asústote coa miña lingua longa Son o dono do reloxo principal Endexamais fun amado polos homes Mais todos viñeron babeando a ofrecerse. A todos posuín. Un paxaro escuro pousado no bordo ollando pasar a rumba a febre a sanguinolenta praza coma un espectro tocando as portas dun paraíso artificial. VIAXE: Asociadas ó fenómeno da emigración atopamos múltiples desaparicións que definen a natureza negativa da viaxe e as fronteiras, sempre creadoras de espacios do desexo, coma neste derradeiro poema de Teresa Fornaris: Dende a nada que vin volve ó latexo das luces o espazo de sempre o tren detido que advirte a intermitencia dos carrís ≈un camiño invariable≈ Rodeada coma min de porcións de illa días repiten os ánimos os seus límites precisos canto podería extenderse intentar a línea ao lonxe deixar atrás a agua A agua.
PRAZA_20698
A familia Franco pode meter o cazo para se quedar cun ben roubado e recibir cuantiosas subvencións públicas, pero as autoridades non poden dicir unha palabra sobre o pazo
Misterios da xestión pública en mans do Partido Popular. A Xunta de Feijóo pode regar a familia Franco con decenas de miles de euros para que cumpra coa súa obrigac de abrir ao público o Pazo de Meirás, pero non pode facer algo para obrigarlles a que a xestión dun ben de interese cultural responda aos principios de mérito, capacidade e transparencia que informan a xestión pública. Noutras palabras, a familia Franco pode meter o cazo para quedar cun ben roubado ou recibir cuantiosas subvencións públicas, pero as autoridades non poden dicir unha palabra sobre o pazo. O presidente galego Núñez Feijóo debe vivir nun episodio permanente de Barrio Sésamo e parece evidente que está convencido de que todos os demais tamén. O goberno bipartito, aquel que non fixo nada nin cambiou nada, declarou ben de interese cultural o Pazo de Meirás, a pesar da furibunda oposición xurídica da familia Franco, que perdeu todos e cada un dos preitos iniciados. Tamén contou coa oposición política do Partido Popular, que sempre que se pretende facer xustiza e escribir a historia como foi defende a inxustiza e o esquecemento usando o nome da reconciliación en balde. Era unha maneira de empezar a devolver ao patrimonio público un ben de valor histórico e cultural roubado polo ditador e a súa familia baixo o simulacro dunha doazón feita a punta de ditadura. Tras o cambio de goberno en 2009, Feijóo pagou á familia Franco para que cumprise a lei e abrise o pazo ao público polo menos catro días ao mes. Así son as cousas en España: á familia Franco págaselle para que cumpra a lei, aos traballadores mándaselles á Garda Civil. A familia Franco recibiu, que saibamos, máis de 50.000 euros ata 2013 para cumprir mal, tarde e de mala gana as obrigas impostas pola declaración de ben de interese cultural, mentres se facía reportaxes a toda cor para a prensa do corazón e o pazo pechábase en agosto para que non os molestasen durante as súas vacacións. De acordo con este modelo de xestión ao Barrio Sésamo de Núñez Feijóo, temos a obriga de pagar á familia Franco pero que esta poida xestionar as visitas á "súa" propiedade como lle dea a gana. Se non fose unha falacia tan groseira, ata daría risa. Se queren coñecer as verdadeiras razóns polas que a Xunta de Feijóo puxo a pasta e a familia Franco puxo o cazo a cambio de nada, lean atentamente o argumentario utilizado polo Partido Popular para defender a súa abstención na moción do Concello de Sada para reclamar a devolución do pazo: a Fundación Franco é legal, isto é unha democracia e non Venezuela e o pazo nunca pertenceu ao pobo de Sada. Noutras palabras: o pazo é do Franco e nada que obxectar a que lle dean a xestión á Fundación Franco. Todo o demais, mentira.
PRAZA_21106
Unha sentenza estima que a investigadora galega María de la Fuente sufriu "discriminación indirecta por razón de xénero" nunha convocatoria na que o feito ser nai a deixou en inferioridade fronte aos restantes competidores. Destaca que o ditame "despexa o camiño" para outras científicas na súa situación, determinante no 'teito de cristal' existente no sector
Hai tres anos coñecemos o caso de María de la Fuente, doutora en nanomedicina e terapia xénica cun amplísimo currículo internacional en investigación oncolóxica, cuxa carreira investigadora estaba a sufrir un gran prexuízo polo feito de ser nai. No ano 2013 lograra, mediante concorrencia competitiva, un contrato Miguel Servet cofinanciado polo Instituto Carlos III (ISCIII) e o Sergas para incorporar liñas de investigación de teses de doutoramento a hospitais públicos. Porén, no momento de renovar o contrato, necesitaba superar unha avaliación na que se tiñan en conta os seus méritos profesionais (publicacións, patentes...) nun período concreto de tempo que incluía os 13 meses que estivera de baixa por maternidade (tivo dous fillos). Unha fórmula de avaliación que a deixaba en clara desvantaxe con respecto ao resto de competidores.Hai tres anos María de la Fuente iniciou unha campaña para denunciar a súa situación, que era compartida con moitas outras investigadoras, cuxas carreiras víanse limitadas no momento de ser naisMaría de la Fuente iniciou unha campaña para denunciar a súa situación, que era compartida con moitas outras investigadoras, cuxas carreiras víanse limitadas no momento de ser nais, impedindo que accedesen a postos de maior responsabilidade (o denominado teito de cristal) ou tendo que escoller moitas veces entre ser científicas e ser nais. A consecuente falta de mulleres en comités de avaliación, órganos de decisión ou foros de persoas expertas fai que esta situación de desigualdade se perpetúe. A campaña, ademais de incluír unha recollida de sinaturas que superou os 300.000 apoios e contactos con grupos políticos, converteuse nunha demanda xudicial que vén de se converter nunha sentenza que lle dá a razón e que pode sentar un precedente moi importante.A maternidade está a ser un factor que impide que moitas mulleres accedan a postos de maior responsabilidade (o teito de cristal). A consecuente falta de mulleres en comités de avaliación, órganos de decisión ou foros de persoas expertas fai que esta situación de desigualdade se perpetúeO Xulgado Central Contencioso Administrativo nº 2 de Madrid estima que María de la Fuente sufriu "discriminación indirecta por razón de xénero" ao non incorporar a convocatoria Miguel Servet supostos de interrupción (coa posibilidade de presentarse á convocatoria seguinte), nin aplicar medidas correctoras, nin, no caso de persoas con contratos prorrogados, valorarse os méritos que puidesen adquirir durante o tempo engadido. A sentenza conclúe que se produciu unha diferenza entre aquelas persoas que puideron dedicar os cinco anos do seu primeiro contrato a completar os méritos do seu currículo e aquelas, como a demandante, que tiveron que interromper o seu traballo.O xuíz ordena que o Instituto de Saúde Carlos III dite unha nova resolución, valorando novamente os méritos de María de la Fuente "tendo en conta todo o período en que se desenvolveu o seu contrato Miguel Servet tipo I, incluídos os períodos de prórroga, aplicando as medidas correctoras obxectivas que teña por conveniente".O xuíz conclúe que na convocatoria se producía "un efecto discriminatorio para as mulleres fronte aos homes, xa que o procedemento é competitivo"O ditame interpreta que a investigadora "interrompeu a súa actividade por circunstancias ligadas á súa condición de muller", dando lugar a unha "discriminación indirecta por razón de sexo" recollida na Lei de Igualdade Efectiva de Mujeres e Homes do ano 2007, polo que conclúe que na convocatoria se producía "un efecto discriminatorio para as mulleres fronte aos homes, xa que o procedemento é competitivo". Ademais, o xuíz critica que na contestación ao recurso administrativo o ISCIII compare a situación da investigadora galega cos doutras nais concorrentes que obtiveron unha valoración de excelencia, "presumindo así que a maternidade non debe afectar á produción científica, sendo isto último unicamente responsabilidade das investigadoras, que son libres para asumir que deben ou non traballar durante as súas baixas maternais para así ser máis competitivas e 'excelentes'". "Levaba tres anos sen participar demasiado no Día da Muller e a Nena na Ciencia. Non me sentía ben animándoas a iniciar unha carreira científica na que sabía que ían atopar obstáculos como os que eu atopei. Parecíame un pouco cínico"A sentenza coñeceuse na semana en que se celebraba o Día da Muller e a Nena na Ciencia, unhas datas nas que se adoita poñer de relevo os obstáculos que seguen facendo máis difíciles as traxectorias profesionais das investigadoras. María de la Fuente recoñece que nos últimos anos "non estaba cómoda" nesta celebración. "Levaba tres anos sen participar demasiado en actividades, porque non me sentía ben animando ás rapazas a iniciar unha carreira científica na que sabía que ían atopar moitos obstáculos, como os que eu atopei. Parecíame un pouco cínico", di. María de la Fuente denuncia que se segue "dando por feito" que cando tes fillos "vas deixar de lado a túa profesión ou que vas priorizar a túa familia por riba das túas responsabilidades profesionais. "Non se trata de priorizar, trátase de poder atender as dúas cousas", diNas convocatorias en réxime de concorrencia competitiva para a incorporación de personal investigador, xeralmente inclúense supostos de interrupción, que permiten ampliar o período de tempo para a avaliación de méritos, tipicamente durante un ano por cada fillo. Porén, iso non sucede cando se avalía a produtividade, en convocatorias competitivas que as máis das veces non contemplan medidas correctoras para as investigadoras que foron nais ou tiveron que interromper o seu traballo por outros motivos (enfermidade grave, coidado de dependentes...), valorándose ese tempo como tempo traballado, o que se traduce nunha perda de competitividade. Casos semellantes ao de María de la Fuente repítense con frecuencia, tamén nas convocatorias de contratos postdoutorais lanzadas pola Xunta.María de la Fuente denuncia que se segue "dando por feito" que cando tes fillos "vas deixar de lado a túa profesión ou que vas priorizar a túa familia por riba das túas responsabilidades profesionais". "Non entendo por que se presume, porque non se trata de priorizar a carreira científica ou a maternidade, trátase de poder atender as dúas cousas. As dúas facetas teñen que ser compatibles", di.Casos semellantes repítense con frecuencia, tamén nas convocatorias de contratos postdoutorais lanzadas pola XuntaLembra que a maternidade "non é só o permiso que se concede despois do parto", porque "os embarazos son duros, a lactancia é tamén un proceso complexo, non se durme...". "Non é tan fácil como volver ao traballo e estar de novo ao 100%, mesmo nos casos nos que corresponsabilices á perfección e a túa parella se ocupe tamén da crianza", sinala, subliñando o impacto que ten para calquera actividade laboral, comezando pola investigación."O que non pode ser é que calquera interrupción que fagas na túa carreira investigadora penalice"Ademais, María de la Fuente salienta que esta sentenza "abre as portas a que se contemplen outros supostos de interrupción". "A cuestión da maternidade é seguramente a máis importante, vese como hai moitísimas investigadoras que chegadas a unha certa idade, xusto cando son nais, deixan de progresar e non acceden a postos de responsabilidade. Pero non é a única cuestión: paternidade, enfermidades de longa duración, coidado de persoas dependentes... Hai que ter en conta todas estas casuísticas", di, engadindo: "o que non pode ser é que calquera interrupción que fagas na túa carreira investigadora penalice".A sentenza "despexa o camiño e senta precedentes. É imposible cambiar todo de golpe, pero estas pequenas batallas son as que suman""Hai que introducir medidas correctoras e en todo caso avaliar despois das prórrogas. O problema é que falta vontade para facelo", di María de la Fuente. "Por iso é importante esta sentenza, porque despexa o camiño e senta precedentes. É imposible cambiar todo de golpe, pero estas pequenas batallas son as que suman", conclúe. E engade: "tamén sería moi importante que houbese cambios lexislativos para garantir que estas situacións non se repiten. Os partidos deben poñerse a traballar para aprobar leis que asenten estes avances".
NOS_39411
O informe do Consello Xeral do Poder Xudicial recolle que en Galiza houbo en 2014 un total de 5.209 denuncias por violencia machista. Incoáronse 1.327 ordes de protección, das que o 37% (497) foron denegadas. En todo o Estado o número de denuncias foi de 126.742.
O Observatorio contra a Violencia de Xénero e o Consello Xeral do Poder Xudicial veñen de publicar esta seta feira os dados correspondentes a 2014. Neses 12 meses presentáronse en todo o Estado español 126.742 denuncias nos xulgados de violencia sobre a muller, un incremento do 1,5% a respecto de 2013. En Galiza, segundo este informe, en 2014 presentáronse 5.209 denuncias, o que supón 14 cada día, máis dunha cada dúas horas. Nesas máis de 5.000 denuncias houbo 451 renuncias ao proceso. No noso país hai 36 denuncias por violencia de xénero por cada 100.000 habitantes. Ademais, houbo en Galiza en 2014 un total de 1.327 ordes de protección incoadas. Delas, 829 foron aceptadas (o 62%) mentres que o 37% (497) denegáronse. A nivel de Estado, o 70% das denuncias foron presentadas polas propias vítimas, un 15% derivou da intervención directa das forzas de seguridade e perto dun 12% que traía a súa causa en parte de lesións. No 2014 houbo no Estado español 19.093 persoas enxuizadas por violencia machista.
NOS_20746
O prezo mínimo desta quinta feira, segundo os datos proporcionados pola Rede Eléctrica de España, deuse entre as 4 e as 5 horas, mentres que o máximo será de 21 a 22 horas.
O prezo medio da electricidade coa tarifa regulada baixa esta quinta feira até os 259,74 euros o megawatt/hora (euros/MWh) —incluíndo os custos de comercialización, peaxes e outros cargos, isto é, o prezo real sobre a factura—, segundo os datos publicados no día de hoxe por Rede Eléctrica de España. Por treitos horarios, o prezo máximo da luz para esta quinta feira darase entre as 21 e as 22 horas, con 342,04 euros/MWh, mentres que o mínimo, de 209,9 euros/MWh, rexistrouse entre as 4 e as 5 horas. Esta quinta feira o prezo medio do 'pool' —prezo base que negocian as compañías produtoras e comercializadoras de enerxía— é de 173,29 euros/MWh. Deste modo, diminúe 6,1% a respecto dos 184,57 euros/MWh de media desta cuarta feira, segundo datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). 2021 fechou como o ano máis caro da serie histórica, cun prezo medio de 111,93 euros/MWh debido á espiral alcista rexistrada no 'pool' no segundo semestre. En comparación con hai xusto un ano, o prezo do 'pool' para esta quinta feira será 114,7% superior aos 80,72 euros/MWh do 26 de maio de 2021. Por outra parte, o prezo medio do mes de abril foi de 191,52 euros/MWh, case 90 euros por baixo de marzo, que deixou o rexistro máis elevado da historia (283,3 euros/MWh).
NOS_47707
Cualificou as bonificacións da Xunta como "márketing".
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu este domingo á Xunta que "tome medidas reais, e non de mercadotecnia" para rebaixar a peaxe das autoestradas galegas "de forma substancial, máis aló dos retoques puntuais, sen apenas incidencias nos usuarios". "Feijóo ten que tomarse en serio a baixada do prezo das autoestradas AG-55 e AG-57", subliñou Caballero, que remarcou que "non basta" con que o Executivo autonómico implemente medidas que son "só márketing". O titular do PSdeG requiriu ao Goberno liderado por Núñez Feijóo que as medidas que tome sexan "de calado" para "reducir os custos da autoestrada de Carballo á Coruña, e a do Val Miñor", así como que "planifique" a liberalización das peaxes nun momento no que conta con "os maiores orzamentos da historia de Galiza". Gonzalo Caballero apuntou que na semana na que entrou en vigor "a rebaixa histórica" das peaxes da AP-9, "o Goberno de España dedicou 100 veces máis fondos que a Xunta a abaratar a circulación dos galegos".
NOS_43723
A nova entrada de Non des a esquecemento, o blog de Luís Bará, lévanos ás curvas da Regaduxa, á represión no concello de Vilaboa, á historia de José Cerqueiro, agochado tres anos e despois encarcerado e a súa filla Lola que foi rapada, secuestrada e aldraxada sen aparecer en ningunha listaxe de vítimas.
Lola Cerqueiro non figura nas actas do terror, nas listaxes das vítimas. Mais si permanece na memoria do pobo, nas voces que voltan coma unha promesa de xustiza adiada durante décadas. Nas voces que retornan para acabar co silencio e coa impunidade, para rematar co sal das bágoas, coas cicatrices. Toda a historia na nova entrada do blog Non des a esquecemento.
NOS_33189
A Audiencia de Vigo arquivou a causa en maio ao entender que os comportamentos denunciados, "apertas e tocamentos no cabelo, brazos e pernas", poden responder tamén "a un comportamento afectuoso e carente de todo sentido sexual".
Os tres profesores da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Vigo acusados por alumnas de presuntos delitos de abuso ou acoso sexual a comezos de 2020 reincorporáronse esta segunda feira aos seus postos de traballo. Fixérono logo de que a Audiencia de Vigo decretase o pasado maio o arquivo da causa ao entender que os comportamentos denunciados, "apertas e tocamentos no cabelo, brazos e pernas", poden responder tamén "a un comportamento afectuoso e carente de todo sentido sexual". No caso dun dos profesores, a Xustiza decretou a súa inocencia. En resposta, medio centenar de docentes e alumnos e alumnas concentráronse na mañá desta segunda feira na recepción do edificio para manifestar que, se ben non se determinou nin a culpabilidade nin a inocencia destes tres mestres, a súa posición "é a mesma" que cando denunciaron os feitos, o 1 de febreiro de 2020. O alumnado paraliza a Escola de Arte Dramática de Vigo para denunciar o "acoso sexual" dun profesor "Seguimos considerando que unha escola debe ser, ante todo, un espazo seguro no que a prioridade é o dereito á educación, pero unha Escola de Artes, ademais, debera ser un lugar para desenvolver o talento e a alegría do saber, non un lugar onde o ar a respirar destile medo, nerviosismo e amargura", expuxeron, nun comunicado. Así, a asemblea do profesorado incidiu en que "o dereito a crer mulleres que declaran ser vítimas de acoso é unha decisión persoal que non ten nada que ver coas nosas obrigas laborais", polo que a "crenza das vítimas" implica a súa "empatía" con elas, mais "non necesariamente unha forma de acusación ou sinalamento dos agresores". Chaman a declarar como investigados por acoso sexual varios profesores da Escola de Arte Dramática de Galiza "Compartimos coas mozas denunciantes a dor diante da inacción da Administración para resolver un problema que, lonxe de arquivarse, persiste a modo de trauma na memoria, e teima en manifestarse na sensación de inseguridade nas dinámicas de ensinanza-aprendizaxe, e na certeza da impunidade sobre as prácticas inapropiadas que, de producírense, seguirían sen atopar canles de solución que non revitimizasen ás persoas que as sufrisen", engadiu. Finalmente, o persoal docente presente na asemblea amosou a súa "vontade" de "protexer as estudantes presentes e futuras a través das ferramentas das que esteamos dotadas, comprometéndonos a facer o posíbel pola mellora constante da convivencia, así como pola seguridade, e por converter a nosa Escola nun verdadeiro espazo libre de violencias machistas".
QUEPASA_130
José Ramón Senra Rey comparte esta Reflexión polo Día do Libro, 23 de abril de 2020
Coa implantación do estado de alarma e de renuncia de moitas liberdades pola nosa seguridade, os centros culturais pecharon. Isto provocou a interrupción de numerosas actividades e conmemoracións, algunhas suspendéronse, outras pospuxéronse ou ben trasladáronse ás diferentes redes sociais. Non obstante, durante esta etapa de reclusión, a cultura estivo e segue a estar máis viva que nunca, cun amplo abano de actividades online abertas a toda a cidadanía, en todas as súas manifestacións artísticas. Se temos en conta o consumo masivo de produtos culturais realizado neste período, confírmanos a necesidade de cultura que ten a xente, agora e sempre. Pódese dicir, con toda certeza, que nunca foi tan doado atopala. Mentres as follas do almanaque caen inexorablemente, as efemérides arredor do sector cultural ocórrelle o mesmo, así vimos pasar o Día da Narración Oral o 20 de marzo, o Día da Poesía o 21 de marzo, o Día do Teatro o 27 de marzo, o Día das Artes Galegas o 1 de abril (dedicado este ano a Domingo Antonio de Andrade, gran arquitecto e mestre do barroco galego, nado en Cee en 1639), o Día do Libro Infantil e xuvenil o 2 de abril e o Día Internacional do Libro o 23 de abril. Para conmemorar estas celebracións e o día a día deste período de encerro son moitas as entidades culturais, editoriais, escritores, artistas, músicos, cineastas, dramaturgos e demais creadores, os que a partir de múltiples iniciativas creativas e solidarias nas distintas plataformas dixitais, ofrecen gratuitamente o seu traballo co altruísta obxectivo de facilitarnos un fácil acceso ás diferentes manifestacións culturais. Nunca tanta cultura, a golpe de clic e de balde, tivemos e gozamos como neste período de emerxencia sanitaria. A xenerosidade destas entidades e creadores, que ofrecen o seu traballo en aberto non pode quedar no esquecemento. Cando todo isto termine e volvamos a unha rutina diferente á que tiñamos antes da pandemia, temos a obriga moral de agradecerllo, mercando as súas obras e asistindo aos seus espectáculos; posto que a cultura non pode ser gratis, xa que moita xente traballa e vive grazas ao sector cultural. Ante as previsibles dificultades económicas e sociais que se aveciñan, o mundo da cultura non pode, unha vez máis, quedar desprotexido e abandonado. É de vital importancia buscar medidas, públicas e privadas, que contribúan a paliar os efectos negativos que padecerá o sector cultural pola crise do Coronavirus. E atreveríame a manifestar que a cultura debería ser considerada un ben de primeira necesidade, como xa é en outros países. A reactivación do sector cultural dependerá, nun futuro próximo, en maior medida do apoio prestado polas administracións públicas; sen embargo, temos que ser conscientes que ese apoio debe empezar por nos mesmos, en consonancia ao valor que lle demos ás distintas manifestacións culturais. Consumir e mercar cultura, benefícianos a nós e ao conxunto da sociedade. Como ben dixo o escritor e artista chileno, nacionalizado francés, Alejandro Jodorowsky: "Cando os países esborrallan e caen, o único que queda deles é a cultura, por iso é tan importante. Un país sen cultura vai á desaparición, é preciso dedicar un capital á cultura, crear produtos útiles para o ser humano, tanto para o seu consumo como para a súa conciencia". O 23 de abril de 1616 morreron dous grandes escritores da literatura universal, Miguel de Cervantes (calendario gregoriano) e William Shakespeare (calendario xuliano). En base a esta casualidade, a Unesco declarou en 1995 o 23 de abril como Día Internacional do Libro. Por este motivo, a Biblioteca Pública Municipal "Francisco Mayán" do Concello de Cee, ao igual que o citado organismo cultural, quere destacar a importancia do libro, que historicamente foi o medio de difusión máis importante do coñecemento, así como o de promover a través del, o acceso á cultura do maior número de persoas posible para esta data, e para o resto de días do ano. E mentres siga este tempo de confinamento e limitacións, recoméndovos buscar un momento para ler, abrir un libro, en papel ou formato dixital, e gozar do pracer da lectura coa intención de deixar voar a vosa imaxinación. A lectura ademais de ser un pracer que se contaxia, e unha ferramenta esencial para construír unha sociedade mellor e máis xusta, á parte de axudarnos a crecer como persoas, polo que é importante, neste contexto de confinamento, seguir dando ao libro todo o protagonismo que merece. "As persoas libres xamais poderán concibir o que os libros significan para quen vivimos encerradas". Ana Frank (1929-1945). Nena alemá, mundialmente famosa polo seu Diario, falecida nun campo de concentración da Alemaña nazi. Recibide un cordial saúdo, ánimo, forza e MOITA SAÚDE. José Ramón Rey Senra. Técnico da Biblioteca Pública Municipal "Francisco Mayán" do Concello de Cee.
NOS_49818
O departamento xurídico da CIG elaborará un informe que ofreza solucións para a pesqueira que non pasen polo despedimento de 99 dos 114 operarios que ten na cidade. A asemblea de traballadores aposta tamén por unha xornada de folga, o 7 de novembro.
Persoal de Freiremar, que asistiu este fin de semana a unha asemblea no local da CIG en Vigo, amosouse partidario de presentar un informe alternativo ao da dirección de Freiremar e no que se aposte polo mantemento do proxecto industrial na cidade olívica. Así, o departamento xurídico da CIG comezará en breve os traballos de elaboración do contrainforme, segundo indicou o secretario nacional da FGAMT, Xosé Fernández Piñeiro. Durante a asemblea denunciouse, aliás, a "inutilidade" da mesa de negociación que se está a celebrar en Madrid xa que a proposta da compañía non contempla outra cousa que o peche do centro de traballo de Vigo. @s operari@s amósanse partidarios da mobilización e barallan incluso convocar unha xornada de folga o vindeiro día 7 de novembro e celebrar unha manifestación polas rúas da cidade o 30. Segundo explicaron dende a CIG, nos vindeiros días contactarán con CCOO e UGT para que se sumen ás mobilizacións en defensa do emprego en Freiremar. Xuntanza co BNG Paralelamente, responsábeis da central sindical e unha representación dos traballador@s manterán este xoves unha xuntanza con representantes do BNG para trasladarlles a problemática laboral existente en Freiremar despois de que a formación nacionalista anunciase a súa intención de presentar unha interpelación ao respecto no Parlamento galego.
PRAZA_9845
A obra enlazará directamente a AP-9, a autovía A-54 a Lugo e os polígonos do norte da cidade e a súa ausencia dos frustrados orzamentos do Estado para este ano provocara fortes críticas da oposición e o Concello
A obra enlazará directamente a AP-9, a autovía A-54 a Lugo e os polígonos do norte da cidade e a súa ausencia dos frustrados orzamentos do Estado para este ano provocara fortes críticas da oposición e o ConcelloNo primeiro día de campaña das eleccións xerais, o Consello de Ministros deste venres vén de autorizar ao Ministerio de Fomento a licitar por 20,8 millóns de euros o denominado enlace orbital de Santiago, un nó de estradas ao norte da capital longamente reclamado. A obra non aparecía nos despois frustrados orzamentos do Estado para este ano, o que provocou fortes críticas da oposición e o Concello e a xustificación por parte do delegado do Goberno de que demoras previas do PP impedían empezar a obra e polo tanto era apresurado consignada nos orzamentos. A autorización este venres da licitación da obra, porén, non significa que os traballos vaian comezar de xeito inmediato senón que antes hai que convocar o concurso público e posteriormente adxudicalo, algo que adoita levar meses. As obras, polo tanto dificilmente poderían comezar este mesmo ano con traballos moi iniciais, polo que a súa ausencia dos orzamentos non sería relevante.O enlace orbital configurará unha cuarta saída e entrada na AP-9 en Santiago, ao norte da Cidade, facilitando non só todos os movementos posibles entre esa autoestrada e a autovía a Lugo (A-54) senón tamén a conexión desas dúas vías de alta capacidade cos polígonos industriais desa zona. Porén, o autorizado agora polo Goberno non inclúe a conexión desa infraestrutura máis alá dos polígonos ata conectar á súa vez coa N-550, cun trazado aínda máis septentrional.O marcado carácter preelectoral impactou na campaña das eleccións xerais acabada de iniciar, pero tamén na política local, marcada tamén pola proximidade das eleccións municipais. Así, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, considera unha "boa nova" a luz verde á licitación dunha obra que "levamos anos traballando para desbloquear", con independencia de que chegue en época electoral.O alcalde de Santiago cre unha "boa nova" o "desbloqueo" do orbital tras "anos" de "traballo" e o candidato do PSdeG atribúeo ás súas propias xestións. "Se chega ao final da festa e quere dicir que a organizou e pagou, alá cadaquén", retruca NoriegaTamén no contexto preelectoral o candidato do PSdeG na cidade, o ex-alcalde Xosé Sánchez Bugallo, asegurou ver nesta aprobación unha mostra do "compromiso do Goberno" coa capital galega, pero tamén un resultado das súas propias "xestións" mediante xuntanzas "co secretario de Estado de infraestruturas, o inspector da AP-9 e o xefe de demarcación de estradas". "Nunca vin o alcalde nestas reunións", afirmou.As verbas de Bugallo son atribuídas por Noriega, precisamente, ao contexto preelectoral, toda vez que o ex-rexedor, subliña, na actualidade non ten ningún cargo "institucional". "Cando queira sacamos o número de viaxes a Madrid polo orbital" ou as negociacións con "tres equipos" diferentes no Ministerio para avanzar no proxecto, ironiza Noriega. "Se el chega ao final da festa e quere dicir que a organizou e a pagou, alá cadaquén", di o rexedor compostelán sobre Bugallo, se ben agrega que "se fixo algo e botou unha man como moitos sectores da cidade e a propia Xunta" a respecto do orbital, "agradécese, porque non sobran mans", conclúe nun contexto no que o candidato do PP, o tamén ex-alcalde Agustín Hernández, atribúe a obra aos fondos comprometidos nos derradeiros Orzamentos de Rajoy.
PRAZA_16989
Tanto o Concello como Compostela Aberta pídenlle ao Goberno galego unha solución para evitar que tres persoas queden na rúa. A concelleira Concha Fernández lembra que a Xustiza lle encargou á propia Xunta a tutela destas persoas. A Xunta ameaza con desaloxar dunha vivenda pública unha familia compostelá "en situación de exclusión social"
A Xunta ameaza con desaloxar dunha vivenda pública unha familia compostelá "en situación de exclusión social" O Concello de Santiago e Compostela Aberta esíxenlle á Xunta que atope unha vivenda alternativa para a familia residente na cidade que está ameazada de desaloxo, como este mércores adiantaba Praza.gal. As tres persoas residentes no inmoble, propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo, van ser desaloxadas sen contar con alternativa habitacional ningunha, co agravante de que se atopan en situación de exclusión, segundo se destaca no informe elaborado por unha traballadora social. Ademais, dúas das persoas cobran pensións de invalidez e a terceira ten unha discapacidade recoñecida e a xustiza outorgou a súa tutela á propia Xunta de Galicia, a través da Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas (FUNGA). Tanto dende o Concello como dende Compostela Aberta esíxese "que a Xunta atope unha vivenda alternativa que evite que esta familia quede na rúa" A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, destaca que "somos conscientes da problemática e extrema sensibilidade deste caso e da inviabilidade de que esta familia siga vivindo nas condicións actuais, con grave risco para a súa integridade física e incluso para a dos seus veciños e veciñas". Pero engade que "tamén nos negamos a aceptar de ningún modo que sexa a propia Xunta, con competencias exclusivas en vivenda social, a que promova o desafiuzamento sen dar alternativa de realoxo. A Xunta non pode agravar aínda máis a situación de extrema vulnerabilidade desta familia deixándoa sen fogar". "Non é admisible que unha administración pública queira deixar sen fogar a unha familia, máis se como neste caso se atopa en situación de especial vulnerabilidade e co agravante de que a Xustiza lle encargou á propia Xunta a tutela destas persoas" Así, tanto dende o Concello como dende Compostela Aberta esíxese "que a Xunta atope unha vivenda alternativa que evite que esta familia quede na rúa". "Non é admisible de ningún modo que unha administración pública queira deixar sen fogar a unha familia, máis se como neste caso se atopa en situación de especial vulnerabilidade e co agravante de que a Xustiza lle encargou á propia Xunta a tutela destas persoas", subliña Compostela Aberta a través dunha nota de prensa. "É obriga dos poderes públicos promover as condicións para facer efectivo o dereito a unha vivenda digna", engade o comunicado, que sinala que "a Xunta contará sempre co goberno de Compostela Aberta para traballar conxuntamente polo benestar da cidadanía e moi especialmente das persoas máis vulnerables, pero nunca para deixar na rúa a ninguén". "A Xunta vese na obriga de garantir os dereitos das familias que conviven no resto de vivendas" A Xunta vese na obriga de garantir os dereitos das familias que conviven no resto de vivendas do inmoble e que levan anos sometidas a unha situación que xa se volveu insoportable", di a Consellería Dende o Goberno galego, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda sinala que "a Xunta vese na obriga de garantir os dereitos das familias que conviven no resto de vivendas do inmoble e que levan anos sometidas a unha situación que xa se volveu insoportable", lembrando que "a causa dos graves problemas de convivencia co resto de veciños do inmoble que vén causando a familia adxudicataria dende hai anos". Afirma que neste tempo non tivo "éxito" ningunha "das intervencións realizadas polos servizos sociais do Concello de Santiago". A Consellería sinala que o Goberno galego "leva anos mantendo xuntanzas cos servizos sociais do concello para buscar unha solución ao problema, que pasa por medidas de adaptación social eficaces, que deben adaptar os servizos sociais municipais, perfectamente coñecedores da situación". E subliña que o propio informe da traballadora social do Concello "deixa claro o risco que a situación supón para o resto de familias que residen no inmoble, que repetidas veces pediron o desaloxo da vivenda". A Xunta maniféstalle ao Concello "a total disposición a colaborar no realoxo da familia afectada" A Xunta maniféstalle finalmente ao Concello de Santiago "a total disposición a colaborar no realoxo da familia afectada, a través das diferentes axudas autonómicas e incluso a través da adecuación dun inmoble en relación ás necesidades desta familia".
NOS_5851
As sondaxes sinalan un empate do gobernante Fine Gael e o centenario partido republicano, que aumenta en apoios enquisa tras enquisa.
É só unha enquisa. Mais puxo dos nervios a boa parte da clase política tradicional irlandesa, tanto de dereita como de centro-esquerda. O Irish Times, un dos principais xornais irlandeses, publicou unha sondaxe sobre o apoio ás diferentes opcións políticas de cara a unhas eleccións na República. E o resultado dá un empate técnico entre o Fine Gael (democracia cristiá), actualmente gobernando; e o Sinn Féin. Ambos os dous cun 24% dos apoios. Desde a última enquisa, o SF subiu un 4% en intención de voto. Cun 23 % de apoio estarían as candidaturas de independentes e outros, mentres que o Fianna Fail (conservadores) terían o 20%, perdendo 5 puntos. @s laboristas (social-democracia) obterían un 9%, dous puntos máis. O Partido Laborista pagou moi duro a coligazón co Fine Gael para gobernar, habendo sondaxes que o situaban mesmo fóra do Parlamento nunhas hipotéticas eleccións. A enquisa é de apoio a partidos, excluíndo indecisos. En canto a apoio popular dos e das líderes das diferentes formacións, só aumentan Joan Burton (laborista) e Gerry Adams (SF). O traballo publicado en Irish Times indica que o voto ao Sinn Féin procede principalmente dos barrios e áreas de clase traballadora, e que o principal apoio á formación vén das capas sociais máis desfavorecidas (40% de respaldo) e da mocidade.
PRAZA_11000
En máis de 30 cidades e vilas galegas están convocadas concentracións feministas na noite do venres, lembrando que "máis da metade das agresións e violacións ocorren pola noite, de madrugada, cando voltamos para a casa".
O feminismo mobilízase na noite deste venres. Tralas concentracións e manifestacións do mércores, en repulsa polos asasinatos machistas de Valga, chega a #emerxenciafeminista ou #noitevioleta, convocada hai varias semanas en todo o Estado, que lembra que "máis da metade das agresións e violacións ocorren pola noite, de madrugada, cando voltamos para a casa".O manifesto lembra que "máis da metade das agresións e violacións ocorren pola noite, de madrugada, cando voltamos para a casa"No seu manifesto, destácase que no que vai de ano "contabilizáronse 74 feminicidios en España: 39 deles, practicamente a metade, só este verán", e que o mes de xullo foi o peor en 13 anos. Ademais, saliéntase que "no que vai de 2019 rexistráronse 42 agresións sexuais múltiples, das cales só no mes de xullo foron nove". "Estamos desamparadas, non podemos confiar nunha xustiza que segue sendo patriarcal, nunhas institucións que miran cara outro lado, nunha parte da sociedade espectadora e cómplice. A violencia non é illada, é sistémica", denuncia o texto.O manifesto denuncia a política de "xestos" e reclama medidas decididas e reais: "Remataron os minutos de silencio. Aquí estamos e estaremos, denunciaremos cada caso de acoso, pederastia, explotación sexual e trata, violacións e agresións", sinálase. "Esiximos ás institucións medidas que muden as estruturas, cambios integrais do sistema. Erradicar a violencia é unha cuestión de estado, é unha prioridade, é unha Emerxencia Feminista", engade"Esiximos ás institucións medidas que muden as estruturas, cambios integrais do sistema. Erradicar a violencia é unha cuestión de estado, é unha prioridade, é unha Emerxencia Feminista"Están convocadas máis de trinta concentracións noutras tantas cidades e vilas galegas, que comezarán entre as 20.15 horas e as 21.30 horas, aínda que a maior parte o fará entre as 21 e as 21.30. Nas convocatorias recoméndase vestir roupa negra ou violeta e, igualmente, levar "luces violetas", empregando candeas ou lanternas cubertas con algún material desta cor.ConvocatoriasA Estrada: diante do Concello 21hA Gudiña: Praza Maior 20:15Ames: Praza do Concello 20:30hArteixo: Praza do Balneario 21:30hCambados: Praza de Asorei 21:30hCangas: Praza María Soliña 21:30hCee: Praza 8 de Marzo 21:30hChantada R/Leonardo Rodríguez 21hCompostela: Praza 8 de marzo 21hA Coruña: Obelisco 20:30hCuntis: Praza das árbores 21hFerrol: Cantón de Molíns 21hFoz: diante do Concello 21:30hLalín: 21h Praza da TorreMarín: diante do Concello 21hMiño: Praza do Parchís 20:30hMondariz: Praza de Mondariz 21hNoia: diante do Concello 21hO Courel: diante do Concello 21hOurense: Praza Maior 21:30hPadrón: Estatua de Rosalía (Espolón) 21hPontevedra: Praza de España 21hPoio: diante do Casal de Ferreirós (San Salvador) 21hRibeira: Praza do Concello 21hTeo: Ramallosa 21hVedra: 21h diante do ConcelloVerín: Praza García Barbón (Praza Maior) 20:45hVigo: Praza da Pedra 21hVilalba: Praza da Constitución 22:30hVilagarcía: Praza de Galicia 21h
NOS_56302
Un coitelo tipo Simancas, do conxunto arqueolóxico natural de Santomé e datado nos séculos IV-V, foi, en febreiro de 1999, a primeira Peza do Mes do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Vinte anos e 200 pezas despois, o centro celebra esta actividade divulgativa e faino con outro material da mesma procedencia: unha placa de cinto ligada ao mundo Baixo Imperial da Meseta.
"Fabricada a cera perdida, con decoración calada de estilizacións de rolos vexetais, enmarcada nun friso de 'sss' nos lados maiores e flanqueada nos estremos por liñas incisas", define a peza a nota de prensa da institución. Segundo o texto, "neste tipo de broches conflúen tanto a tradición dos broches militares altoimperiais como a influencia dos cingula militae europeos". Segundo explica o museo, esta placa de cinto fabricouse "no contexto das chamadas producións rexionais, levada a cabo en terro hispánico, con características vinculadas a territorios concretos, en contraste coas producións universais, fabricadas en grandes talleres estatais, e distribuídas por amplas áreas do imperio". Será Xulio Rodríguez, o director do Museo, o encargado de presentar esta peza, a número 200, esta cuarta feira, 13 de febreiro, ás 20.00 horas do serán, na sala de exposicións Escolma de Escultura, en San Francisco, Ourense. A Peza do Mes vén acontecendo ininterrompidamente desde febreiro de 2019. "Cando se fala desta actividade faise referencia, principalmente, á súa vertente pedagóxica e didáctica", relata o seu sentido o centro arqueolóxico, "esquecendo a miúdo que as funcións dun museo son múltiples e concatenadas entre si. Resulta difícil entender unhas sen a complementariedade das outras". "O obxectivo é posibilitar e poñer en valor as coleccións que abeiran os museos, facéndoas máis accesíbeis ao público en xeral", engade. As Pezas do Mes son escollidas dos fondos dos museos, divididos en dúas grandes seccións: arqueoloxía e belas artes. Un especialista na materia, que pode ser un técnico do propio museo ourensán, ou un investigador convidado, estudan o obxecto e expóñeno ao público durante media hora.
NOS_58073
A realidade meteorolóxica semella constatar con evidencias os anuncios de cambio climático que realizan desde o mundo científico. O 2021 despediuse con temperaturas impropias e deixando datos, como no caso de Compostela, de poucas precipitacións e un aumento dos días de insolación.
As altas temperaturas están a protagonizar un inverno inusual na Galiza. Desde Meteogaliza, organismo que depende da Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta, salientaron que o ano 2021 despediuse con valores que, a partir do 28 de decembro, superaron os 20°C. Segundo indicaron, chegaron a ser de 24°C o último día do ano en cidades galegas como Vigo e Pontevedra, cando un valor normal sería 12°C-13°C no litoral e 10°C-12°C no interior do país. Na Noitevella difundiron a través das redes sociais que se vivía una "noite tropical en pleno Aninovo" con valores que en "lugares tan afastados [entre si] como Baiona ou Ribadeo non estiveron por debaixo dos 20ºC en ningún momento da madrugada". E sen cualificativos ficaron para o primeiro día de 2022, unha nova xornada de rexistros históricos. "Dous exemplos das máximas: nunca antes víramos máis de 20°C en Lugo en xaneiro e hoxe hai 21,4°C", sinalaron. Tamén salientaron o rexistro inédito dese mesmo día na Coruña: 23,3°C. O coordinador do departamento de predición de Meteogaliza, Juan Taboada, explica a Nós Diario que aínda non fixeron o balance anual de 2021 mais cre que "non sairá tan cálido como 2020". Porén, isto non indica que "a Galiza non estea padecendo o cambio climático, ao non ser un proceso homoxéneo". En todo caso, asegura que foi algo máis cálido que a media e tivo como característica máis salientábel "a variabilidade que houbo, cun xaneiro frío, ao revés que agora, un verán relativamente frío e de remate este inverno moi cálido". Para Taboada o que está claro é que, neste contexto, "as temperaturas, na media, subirán e a meteoroloxía será cada vez máis brusca e cun risco maior de ter fenómenos adversos". Máis sol e menos choiva en Compostela Un caso que pode servir de exemplo de como variou o clima este último ano é o de Compostela. A cantidade de chuvia recollida na capital galega no Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC en 2021 foi de 1.498,3 litros/m2, é dicir 300 l/m2, por debaixo da media das últimas décadas. Con estes datos, o director desta instalación universitaria, José Ángel Docobo Durántez, apuntaba que "o ano recentemente terminado haino que considerar seco xa que o intervalo de normalidade en Compostela atópase entre os 1.600 e os 2.000 litros/m2". En relación ás temperaturas, a máxima do ano ascendeu a 35°C e rexistrouse o 17 de xullo. Outro dato salientábel do informe anual presentado polo observatorio universitario compostelán foron os días de insolación (con presenza de sol) que se concretaron en 2.278 horas e 10 minutos medidos en 2021. Docobo explica que "superan claramente a media das últimas décadas, situada en 2.075" polo que xa foi o terceiro ano con máis número de horas de insolación dos últimos 30. Menos precipitacións e máis secas Algúns modelos de investigación sinalan para a Galiza unha tendencia clara cara a períodos con menos precipitacións e un aumento de secas. É o caso do estudo que realizan no Laboratorio de Física Ambiental (EphysLab) do Centro de Investigación Mariña da UVigo e do Departamento de Física do Centro de Estudos do Ambiente e do Mar da Universidade de Aveiro (Portugal). Nel, para o período que se inicia en 2021 e remataría en 2050, agardan unha diminución das precipitacións totais nas estacións de verán e de primavera. Ademais, alertan dun posíbel aumento dos períodos temporais secos, aínda que sen descartar algunhas choivas intensas en meses de outono e inverno que poderían provocar, en certas zonas do país, un aumento das inundacións.
NOS_55435
Alfonso Pato (Cans, 1969) é o director do Festival de Cans, proxecto que botou a andar hai quince anos. Nado como un xogo fonético polo seu paralelismo co que se celebra en Cannes nestas datas, Cans é un festival de curtametraxes de produción galega no que galpóns, baixos e cubertos das casas convértense en salas de proxección e onde as asistentes móvense dun lado a outro en chimpíns. Un proxecto no que a aldea participa activamente e que foxe de toda pose e artificio.
Cans 2018 comezou esta cuarta feira e concluirá o sábado. -O festival fai quince anos. Como afrontades esta nova edición? -Dun xeito ilusionante e con moitos aspectos novos. Cans sempre varía dun ano para outro, non é nunca o mesmo. Abrimos vías cara á nternacionalización do festival con novos encontros e coloquios, que van desde Fernando Trueba e Gracia Querejeta até Anxos Fazáns ou Roque Cameselle. Tamén inauguramos unha sección na que temos posta moita ilusión que é a categoría de Non Ficción, á que chamamos FuraCans. -Que retos ten o Festival de Cans? -Tratamos de seguir medrando e incorporando novas actividades sen perder a esencia do que somos, que é o noso obxectivo principal: medrar sen perder a nosa identidade, que é a de potenciar e colocar as creadoras e creadores galegos no epicentro do festival aínda que tamén veña xente de fóra aos encontros e coloquios que organizamos. Este ano veñen directores de Italia, Brasil, Portugal e Gales. Iso fai que poidamos ter un intercambio de ideas e así enriquecernos todos. -Cal é a chave do seu éxito? -Visto desde dentro, talvez a clave sexa que, como nós dicimos, Cans é un festival máis que participativo, 'comparticipativo'. Non é unha participación de sentar a ver un concerto ou un filme, senón que a xente participa no sentido de estar dentro mesmo de todo isto. Os veciños fan filmes e documentarios de forma colectiva, deixan as súas casas, prestan os seus chimpíns e axudan no que poden. A xente séntese realmente implicada. Doutro xeito, para os profesionais que veñen tamén resulta atractivo, pois é un ambiente moi singular. Cans non é un festival que potencie as zonas vip, senón que nese aspecto é democrático. Non hai zonas separadas excepto para xantar, despois, calquera persoa de relevancia e coñecida pode estar no medio do público, e este sempre é moi educado e correcto pedindo un autógrafo ou unha foto. Logramos reunir un gran público e creo que todos eses ingredientes fan que Cans xerara unha corrente de simpatía. Quizais esa sexa unha das claves de que o festival tivera certo éxito. -Es natural de Cans. Como reaccionaron os veciños cando lles propuxeches a idea de montar un festival na aldea? -Si, eu nacín alí e alí me enterrarán ou espallarán as miñas cinzas. Cando empezamos con isto nós tampouco tiñamos claro que ía ter a dimensión que foi collendo. Non era máis que facer unha pequena broma nunha tarde de sábado, un evento cultural nunha zona rural onde non había nada ao longo do ano. Tomar unhas cervexas e divertirnos un pouco. Cando falamos cos veciños nin eu mesmo sabía explicarlle qeé era exactamente o que iamos facer porque tampouco o tiña moi claro máis alá de que iamos proxectar en ghalpóns e que a xente ia ir dun lado a outro en chimpíns. Eles mirábanme con cara de marcianos como quen pregunta que me está propoñendo este tipo. A cousa cambiou cando viron empezar entrar polas súas casas e tomar un viño nas súas adegas a xente coñecida como eran Morris, Ernesto Chao ou Os Tonechos. Xente que viña e se convertía en fans, incluso chegaron a ter relacións ás veces cercanas con moitos veciños. Isto fíxolles ver que aquilo ía en serio e aí gañamos moita credibilidade. Sempre houbo moita colaboración e predisposición por parte da veciñanza para axudarnos co festival. -Supoño que serán uns días moi esperados en Cans. -Son días de moita festa e nas casas fanse comidas como se fosen as festas patronais, con moita xente e moitos invitados. Isto ás veces cáusanos un problema porque moitos dos que participaban antes na organización están indo antes a organizar as súas comidas, deixando ás veces a organización, polo que temos que coller a xente de fóra para que veña botarnos una man a tempo parcial. Pero resulta moi bonito ver os xardíns e os lugares das casas cheos de mesas corridas con xente comendo, tocando o acordeón ou cantando. Cadaquén desfruta do festival a súa maneira e ás veces con actores e directores moi coñecidos sentados ás súas mesas. Iso é a maxia única do Festival de Cans.
NOS_15372
O alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, salienta "o paso adiante importante" que supón.
A mesa de diálogo convocada polo Ministerio de Transición Ecolóxica para o futuro da planta de Ence en Pontevedra supuxo que esta empresa expresase a súa vontade de escoitar activamente alternativas de localización para garantir os postos de traballo, aínda que, iso si, avisan que "non é posíbel nin por motivos técnicos nin económicos". A vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, presidiu esta reunión na sede ministerial na que participaron, entre outros, o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, o presidente de Ence, Ignacio Colmenares, o vicepresidente segundo da Xunta de Galicia, Francisco Conde, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e os representantes legais dos traballadores. Segundo informou Ence nun comunicado ao termo da reunión, a empresa reiterou que o traslado non é posíbel pero que estudará calquera posibilidade de futuro que se expoña no contexto desta mesa. Ademais, a pasteira defende que continuará defendendo "a legalidade" da concesión da planta de Pontevedra e, por tanto, a súa permanencia en Lourizán até o próximo ano 2073. Valoración positiva de Lores Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra celebrou que "por primeira vez" a empresa abrise unha posibilidade de estudar alternativas de localización á planta de Lourizán, polo que valora positivamente este posicionamento. "Valoro positivamente a reunión, logo veremos en que se concreta", dixo Lores ao remate da xuntanza en declaracións aos medios de comunicación, que tamén celebrou a vontade da ministra Ribeira e do comité de empresa da fábrica para buscar alternativas que garantan os postos de traballo. Iso si, recalcou que desde o Concello de Pontevedra séguese mantendo que Ence "tense que ir" e que, se é posíbel manter os postos de traballo, "moitísimo mellor". Ademais urxe unha reforma dun plan forestal e á posibilidade de buscar alternativas. En termos parecidos expresouse o presidente do comité de empresa de Ence, Antonio Lafuente, que en declaracións a Europa Press ao remate da reunión asegurou que se todas as partes cumpren, sería unha cita produtiva. Ademais, sinalou que a ministra se comprometeu a manter unha próxima reunión nas próximas semanas. No caso do vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, reclamou "certezas e seguridade xurídica" ao Goberno español. En declaracións á Televisión de Galiza, recollidas por Europa Press, Conde aseverou que "non se pode permitir" o peche dunha industria que está en funcionamento. Pola súa banda, a ministra Teresa Ribera animou a empresa e a Xunta a abrir un dialogo local para dar continuidade aos postos de traballo. Neste contexto, lembrou que a decisión da continuidade da empresa nesta planta depende dun fallo que debe ditar a Audiencia Nacional, onde se estuda o recurso interposto polo Concello de Pontevedra, Greenpeace e a Asociación pola Defensa da Ría contra a prórroga outorgada en 2016.
NOS_37258
A efixie a Ánxel Casal, editor da revista 'Nós' e alcalde galeguista de Santiago de Compostela, asasinado polos fascistas en 1936, segue á espera de facerse realidade. Hai máis de dous anos que o pleno do Concello compostelán aprobou unha moción do BNG para erguer unha estatua en lembranza de Casal e da veciñanza represaliada polo franquismo. Porén, o Goberno do socialista Sánchez Bugallo mantén o acordo na neveira.
Vai para máis de dous anos que o pleno do Concello de Santiago de Compostela acordou -a iniciativa do BNG e coa única abstención do PP- unha moción con varias medidas en prol da memoria democrática entre as que figuraba erguer un monumento de homenaxe a Ánxel Casal, alcalde da capital galega asasinado en 1936 polo seu compromiso nacionalista. A efixie levaría a inscrición dos nomes da veciñanza executada ou presa durante o franquismo. Houbo 226 veciñas e veciños de Santiago que, segundo datos recollidos na investigación Nomes e Voces, sufriron represión derivada da ditadura franquista. Na sexta feira, 17 de decembro, no 126 aniversario do nacemento de Casal, o BNG de Compostela volveu demandar o cumprimento do aprobado en pleno. "Estamos fartas do inmobilismo do Goberno local do PSOE", denunciou a portavoz municipal do Bloque na capital galega, Goretti Sanmartín, ao tempo que reclamou ao Executivo local "que cumpra cos seus compromisos". "Casal por Galiza fixo máis do que todos nós" Ánxel Casal (1895-1936) destacou polo seu labor como editor. Creou a editorial Lar, con Leandro Carré Alvarellos e, posteriormente, creou a editorial Nós. "Durante 12 anos, entre 1924 e 1936, e en dúas cidades, na Coruña primeiro e logo en Compostela, Casal publicaría máis de 80 libros, centos de folletos e separatas, revistas e diarios, nunha intensísima actividade cultural que entidades como a propia Asociación Galega de Editoras considera "fundacional" para o libro galego moderno. Foi Ánxel Casal quen editou, entre outros, obras de Castelao, Otero Pedrayo, Risco, Cunqueiro, Manoel Antonio, Víctor Casas, Ramón Vilar Ponte, Cabanillas, Blanco Amor, Amado Carballo, … e con el colaboraron ilustradores como Seoane, Camilo Díaz Baliño ou Maside. Ademais, da súa imprenta saíron publicacións como a revista Nós ou A Nosa Terra. Foi tamén o editor dos Seis poemas galegos de Federico García Lorca, prologados por Eduardo Blanco Amor. O granadino foi asasinado o mesmo día que el. O seu labor como editor e impresor resultou fundamental para o desenvolvemento do galeguismo do seu tempo, até o punto de que Castelao chegou a dicir que "Casal por Galiza fixo máis do que todos nós". Casal uniuse á Irmandade da Fala da Coruña, colaborou no Conservatorio da Arte Galega e foi o promotor e primeiro mestre da Escola do ensino galego das Irmandades. Foi militante do Partido Galeguista desde a súa fundación e foi elixido como alcalde de Compostela en febreiro de 1936. Un mes despois foi nomeado deputado provincial e vicepresidente da Deputación da Coruña. Exerceu tamén como vicepresidente do Comité Central da Autonomía da Galiza, se ben actuou como presidente en funcións ante a ausencia de Bibiano Fernández Osorio-Tafall. Dimitiu como alcalde e como edil o 9 de xullo dese mesmo ano. O día 17 formou parte da comisión que entregou o Estatuto da Galiza ao presidente do Congreso dos Deputados. Regresou a Santiago o día 20, e a proposta do comité de defensa formado a xornada anterior polos partidos e sindicatos locais tras o golpe de Estado dos fascistas. Aceptou facerse cargo de novo da Alcaldía, se ben ese mesmo día sería deposto pola autoridade militar. Refuxiouse na casa familiar de Vilantime, en Arzúa, onde o detiveron a 4 de agosto de 1936. Foi levado á prisión de Santiago onde coincidiu con Camilo Díaz Baliño, quen o retratou a lapis ao igual que a outros presos políticos. Na noite do 18 ao 19 de agosto foi asasinado en Cacheiras (Teo), perto do cemiterio. Os compromisos pendentes coa memoria do Concello de Santiago Naquel pleno municipal de 2019 en que se acordou erguer a efixie, tamén se aceptaron outras medidas da proposta do grupo do BNG relacionadas coa memoria democrática e que aínda fican pendentes de execución polo consistorio do socialista Xosé Sánchez Bugallo: a instalación dunha placa na nova terminal do aeroporto Rosalía de Castro-Lavacolla, en lembranza das persoas que estiveron no campo de concentración da Lavacolla e que ergueron o aeródromo. Tamén se acordou que o Concello crease a Comisión especial de memoria histórica e que, como mínimo, contase coa participación dos departamento de Historia da USC e colectivos veciñais e de recuperación da memoria. Porén, até a data só se convocou unha primeira reunión da comisión, de carácter meramente constitutivo, e para iso tardouse máis dun ano e medio. En novembro deste ano, a nacionalista Goretti Sanmartín interpelou o Goberno municipal para pór en funcionamento a comisión especial, cun cronograma para a eliminación de simboloxía franquista en Santiago e para a instalación das placas memorialistas no aeroporto e en Santa Isabel, en lembranza das presas e presos polo franquismo.
PRAZA_16846
O vicepresidente, Alfonso Rueda, anuncia que citará o comité esta semana para unha xuntanza, máis de vinte días despois da última e cando comeza a 11ª semana de paro. Os traballadores insisten en que non abandonarán a loit "sen un acordo satisfactorio" e instan o Goberno a "sentar a negociar".
Con aplausos e berros de "nin un paso atrás" rematou este luns na Coruña outra asemblea, das varias que se celebraron en Galicia, de traballadores da Administración da Xustiza en Galicia e que contou coa presenza do comité de folga. O persoal cumpre 69 días dun paro indefinido que comeza a súa 11ª semana, con máis de 18.000 xuízos suspendidos, adiamentos até 2020 e ningunha convocatoria oficial de reunión por parte do Goberno galego, ao que esixen que "sente a negociar" dunha vez logo de máis tres semanas sen facelo e dun seguimento aínda moi alto. "A obriga da Xunta é buscar unha solución", dixeron antes de que o Executivo anunciase unha nova xuntanza para esta semana, pero aínda sen data nin hora. O comité de folga acusa a Xunta de usar "tácticas de desgaste" para pór fin ao conflito: "Iso non lles chega porque seguimos" Así se manifestaron os portavoces do comité de folga nunha comparecencia tras a que se situaron uns 60 traballadores con cadansúas camisetas que reivindican "dignidade e resistencia". O persoal insiste en criticar a Xunta por, en coincidencia co manifestado polo fiscal Álvaro García Ortiz, intentar "dilatar" o conflito e empregar "tácticas de desgaste" para buscar a fin do conflito por cansazo e presión sobre os traballadores, que acumulan arredor de 4 millóns de euros perdidos en nóminas pola folga. "Pero iso non lles chega porque seguimos", advertiu Pablo Valeiras, un dos voceiros. "Isto só acaba coa negociación; non van acabar coa folga sen un acordo satisfactorio", advertiu o comité en palabras ás que seguiron unha ovación dos presentes. A impresión e a denuncia é xeral entre o persoal: a Xunta négase a negociar, intenta alongar o conflito e busca unha solución por rendición e non por acordo. "Isto só acaba coa negociación; non van acabar coa folga sen un acordo satisfactorio", advirten os representantes do persoal "Non existiu negociación nunca; a Xunta chega, presenta a súa oferta e marcha para convocar a outra xuntanza quince días despois", lembra Valeiras. A última reunión foi o pasado 26 de marzo. O comité insistiu nun incremento salarial de 180 euros mensuais para cada traballador, mentres a Xunta teima en entre 133 e 105 dependendo da categoría. É a principal diferenza sobre as reclamacións do funcionariado, que denuncia a súa "discriminación" con outros traballadores do Estado ou dependentes desa Administración: no que ten que ver coas baixas, cos recortes sufridos ou coa amortización que levou a cabo a Administración. O comité insiste nos graves "prexuízos" que o conflito está a provocar na cidadanía, a principal "prexudicada", e reclama da Xunta unha reunión o máis axiña posible. Este mesmo luns foron suspendidas pola folga as comparecencias de peritos do caso do accidente ferroviario de Angrois previstas para este mércores. Así, os representantes dos traballadores enviaron pola mañá á Xunta unha nova carta para que fixe unha data para outra xuntanza. Farano así "todos os días" ata que o Goberno responda. Ao tempo, insisten nas críticas á "prepotencia" de Alfonso Rueda, conselleiro de Presidencia e vicepresidente dun Goberno, ao que ven "deslexitimado" no conflito, logo de "utilizar a policía" para desaloxar ou non impedir a entrada dos representantes sindicais o pasado venres en San Caetano e por "non ter ningún tipo de intención negociadora". Case ao tempo, Rueda anunciaba que "esta mesma semana" volverá convocar os sindicatos "con toda a intención de pechar un acordo" aínda que sen poñer a data fixa. Xa que logo, as partes volveranse reunir máis de tres semanas despois da última xuntanza. O número dous do Goberno galego asegura que a Xunta "cumpre con todo o que pediron" os traballadores inicialmente e volve situar os funcionarios "por riba da media" na táboa salarial das comunidades. Rueda anuncia unha nova reunión esta semana e acusa "algún sindicato" de "non ter interese en que se peche o acordo" "A Xunta nunca estivo pechada a iso e aí estamos outra vez", manifestou o vicepresidente, quen, en todo caso, reiterou unha vez máis que, ao seu xuízo, "hai algún sindicato que non ten interese en que se peche o acordo". "Digo algún e son sete", aclarou, antes de puntualizar que tamén está seguro de que "a maioría" si quere solucionar o conflito. Desde o comité de folga, no entanto, insisten nas críticas a Rueda e en denunciar que o conflito da Xustiza se vexa "prexudicado" polas "loitas de poder e sucesión" no PPdeG. Así, aseguran que a intervención de altos funcionarios de Facenda nas negociacións e a non presenza do vicepresidente débese a un intento por promocionar o conselleiro de Economía, Francisco Conde, fronte ao actual número dous na suposta carreira para substituír a Feijóo, a quen os sindicatos censuran por ter lanzado contra o funcionariado a mileuristas, pensionistas ou parados. Mentres, o persoal de Xustiza mantense firme e, segundo aseguran os sindicatos, cun seguimento medio da folga dun 80% en Galicia. Este luns, segundo a Xunta, case 800 persoas secundaron o paro nunha xornada na que 775 cumpriron cos servizos mínimos e 179 causaron baixa xustificada dun cadro de persoal total de menos de 2.600. "O enfado coa actitude do Goberno galego inflúe tamén nesta resistencia", confesan traballadores que advirten de que tardarán "dous ou tres anos" en recuperar os cartos perdidos por este conflito mesmo conseguindo as actuais reivindicacións. "Feijóo é o responsable" Desde a oposición, pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, cre que o "responsable" de que o conflito virase xa na "folga máis longa" na Administración pública ten "nomes e apelidos": Alberto Núñez Feijóo, ao que acusa de "agocharse" para "non dar a cara". Tamén acusou o Goberno galego de escudarse en "razóns orzamentarias" para non atender as reclamacións dos funcionarios, un argumento "débil", segundo advertiu. A oposición acusa a Feijóo de "agocharse" e "non dar a cara": "Que deixe de esconderse tras Rueda" A voceira do BNG, Ana Pontón, lembrou que esta folga xa se estende máis de dous meses, "mentres Feijóo segue atrincheirado na súa posición, negándose a negociar e paralizando a Xustiza". Así, instou o presidente da Xunta a "saír do seu castelo" e "pisar a rúa", xa que "leva 20 días sen querer negociar". "Que dea a cara e deixe de esconderse detrás de Rueda, que demostrou a súa insolvencia para dar unha saída negociada ás lexítimas demandas dos funcionarios", concluíu. Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou que o paro "dura demasiado" e "está a ocasionar un grave quebranto de todo o funcionamento do sistema xudicial", con consecuencias en "milleiros de cidadáns". Todo, indicou, ante a "incapacidade da Xunta para atender de forma axeitada as reivindicacións dos traballadores". "Hai unha sensación de orfandade, de desleixo e distancia entre o poder e os traballadores", lamentou o socialista, quen chamou a "apurar a negociación sen horas, sen poñerse un horizonte".
NOS_13662
O Grupo Hifas, unha empresa da incubadora BioincubaTech, que é promovida pola USC, vén de elaborar un nutracéutico a partir de fungos medicinais. Trátase dun estudo pioneiro no eido da oncoloxía que está en marcha agora mesmo no Hospital Universitario de Ourense con 144 pacientes. O cofundador e director de Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Grupo Hifas, o doutor Esteban Sinde Stompel, explica e analiza a importancia desta investigación.
-En que consiste esta investigación que o Grupo Hifas está a levar a cabo? Este é un proceso no que levamos anos a traballar, e agora chegou á súa culminación. Comezou co illamento de cepas de fungos medicinais e a aplicación de procesos de fabricación para obter o que se coñece como extractos dos fungos e concentrar os principios activos dos mesmos. Logo se leva a cabo a fabricación dun complemento nutricional que ten capacidades terapéuticas específicas para os pacientes de cancro. É un produto que xa leva anos no mercado, mais que para consolidarse como produto de soporte ao paciente oncolóxico estaba esperando a chegada dun ensaio clínico, que é no que estamos nesta fase. No noso caso, ao ser un complemento nutricional, non era un requisito legal, mais obviamente abala de xeito notábel as capacidades terapéuticas do produto. Que ten de novidade a investigación con respecto a outras liñas de traballo que se seguiron con anterioridade neste eido da medicina? O novidoso desta versión do produto é que traballa en varios aspectos terapéuticos de modo sinérxico. A principal función dos fungos é a inmunomodulación. Fortalecen e favorecen a resposta do sistema inmune do paciente ante as células canceríxenas. Iso é con respecto á resposta inmune innata e adaptativa do ser humano. Ademais, temos unha nova formulación na que se introducen prebióticos, probióticos e postbióticos. Isto fai que actúe de xeito directo sobre a microbiota dese paciente oncolóxico. Hoxe en día sabemos que ese aspecto é fundamental para que os fármacos empregados teñan a mellor eficacia. -Cal é a relación existente entre a microbiota intestinal e o avance do cancro colorrectal? O cancro colorrectal é un tipo de cancro que está bastante vinculado a procesos de alimentación ou reaccións intestinais provocadas polos hábitos das persoas. É moi posíbel, tal e como apuntan estudos, que se se desencadee por desequilibrios derivados destas reaccións e procesos intestinais. Ademais, hai estudos actuais que demostran que aqueles pacientes que teñen unha microbiota equilibrada curan nunha porcentaxe moi superior a aqueles que non a teñen. A relación é dupla. Tanto nos procesos de prevención da aparición de cancro colorrectal como no propio tratamento, que é no que se está a basear o noso ensaio clínico. Para que as medicinas e os fármacos convencionais actúen mellor tamén nos grupos de pacientes de cancro colorrectal que xa presentan unha microbiota moi deteriorada. -Cales son os seguintes pasos a seguir? Agora mesmo, os hospitais implicados, como o Hospital Universitario de Ourense, está a levar a cabo o proceso de recrutar os pacientes para que comecen a consumir o produto. Até que este proceso de recrutamento non remate, non se terán os resultados clínicos do ensaio. -Contan co apoio suficiente por parte das institucións para levar a cabo as súas investigacións? É unha reclamación por parte de todo o sector científico desde hai anos. A Galiza e o Estado seguen a estar moi á cola de todo o que é o I+D+i, tanto a nivel empresarial como público, no conxunto de Europa. Penso que invertemos a metade do que invisten países como Alemaña. O obxectivo europeo é chegar a un 3% do PIB e poucos países chegaron a el. O Estado español sempre está por debaixo do 1,5%. A resposta é claramente insuficiente. Non podemos estar na vangarda tecnolóxica de practicamente ningún sector se investimos a metade do que invisten o resto de países en materia de innovación e investigación constantes.
NOS_34842
Centos de persoas manifestáronse na vila para denunciar os recortes sanitarios e as listas de espera cirúrxicas e demandar máis medios e persoal.
Centos de persoas, por volta de 1.500 segundo os organizadores, manifestáronse esta fin de semana en Verín para demandar unha sanidade pública e de calidade na comarca e área sanitaria de Monterrei. Convocada pola Plataforma en defensa da sanidade pública, a mobilización encheu as rúas principais de Verín. Ao paso da marcha, comercios e locais ían fechando as súas portas en solidariedade e apoio coas demandas dos manifestantes. Entre as demandas, a necesidade de dotación de pediatría hospitalaria, entre outras. Denunciouse a redución de efectivos do servizo de medicina interna e de persoas nos centros de saúde, así como as longas listas de espera cirúrxicas con derivación de pacientes á privada. Un día antes da manifestación, entregouse no rexistro do Concello de Verín un escrito dirixido ao Sergas, apoiado por máis de 5.000 sinaturas, e no que se recollían diversas demandas a respecto da dotación sanitaria para a comarca. Na mobilización estiveron presentes representantes do BNG, En Marea e PSdeG.
NOS_55346
Até "última hora" non se irá resolver o formato en que se irá concretizar a lista que impulsa o Foro Político, o magma do que fan parte as mareas, Anova e a esquerda estatal.
A tese que manexa Anova desde o principio deste proceso é que a formulación definitiva da lista ás xerais se fecharía no fío do prazo legalmente estabelecido, o 6 de novembro para as coligazóns eleitorais. Esta terza feira, reafirmou esa idea Martiño Noreiga, coportavoz nacional de Anova, quen avanzou -segundo declaracións recollidas por Europa Press- que esta terza feira se irían continuar a producir "reunións" e "conversas" e que o deseño definitivo da lista "se determinará a última hora". Noriega admite que "o ideal" sería que na formulación da lista fosen ter un "rol" as plataformas cidadás, mais, dixo, todo indica que o formato definitivo da candidatura "pasará por unha coligazón técnica das estruturas partidarias que existen". O tamén alcalde de Santiago lamentou que a converxencia coa lista impulsada pola Iniciativa pola Unión non fose finalmente posíbel. A esta altura continúa a ser unha incógnita o procedimento de escolla das persoas que irán integrar as candidaturas promovidas polo Foro Político A esta altura continúa a ser unha incógnita o procedimento de escolla das persoas que irán integrar as candidaturas promovidas polo Foro Político, a estrutura criada após o acordo do Encontro Galego pola Marea Galega e o trípode Anova-Esquerda Unida-Podemos. En teoría, o lóxico sería pensar que a selección dos candidatos fose ser através de primarias, como as que está a realizar IpU e como as que defendeu en Sermos Galiza Marilar Aleixandre, portavoz do colectivo cidadá que esta cuarta feira vai realizar unha asemblea en Compostela (18.30 horas, lugar por determinar) para fechar definitivamente todos os aspectos relativos á candidatura do Foro. Porén, fontes de Anova consultadas por Sermos Galiza xa dixeron días atrás que talvez a premura dos prazos impedise a realización dunha elección con garantías. Nese caso abriríase paso a hipótese do consenso entre os distintos componentes do Foro. Aí o peso das "estruturas partidarias" -por empregar a terminoloxía de Noriega- sería presumibelmente decisivo.
NOS_17864
O responsábel de comunicación de Anova avoga por unha "fronte ampla" na que tamén estaría a esquerda estatal que respecte o dereito a decidir de Galiza
Mario López Rico considera que un escenario de unidade do nacionalismo galego nunha soa organización "remataron" e son algo "do pasado". O responsábel de comunicación de Anova fixo estas declaracións nunha entrevista no programa 'Galicia por diante', da Radio Galega. Para López Rico, a fórmula acaida é a que se ven cualificando desde esta formación como "fronte ampla", unha propostas na que combinarían formacións nacionalistas galegas "coa esquerda estatal que respecte o dereito a decidir". Chamada de Beiras Neste sentido, foi Xosé Manuel Beiras quen, no Día da Patria do ano pasado, fixo un chamamento a conformar esa fronte ampla para derrotar ao PP, sinalou Rico, "e houbo organizacións que responderon (a ese chamamento) e outras non", sinalou. O membro de Anova avoga, xa desbotada a confluencia do nacionalismo nunha organización, polo que chama "xeografìa variábel" e que consiste en sentar coalicións ou alianzas electorais dependendo de cada convocatoria electoral. Un escenario no que tamén, aclarou, ten que ter cabida a esquerda española que defenda que Galiza tend ereito a decidir. Pasado/Futuro Na entrevista na Radio Galega, López Rico profundizou no discurso de que a marcha de Encontro Irmandiño do BNG foi case que obrigada polo ambiente irrespirábel que, sostén, se vivía na fronte nacionalista; alén de sinalar que iso se traducuiu na perda de importante "capital humano" para o Bloque. Mais López Rico dixo que o importante era mirar para o futuro, no que Anova, asegurou, pasa probas de lume "día a día" e cualificou de "perfecto" o funcionamento do tándem Beiras-Martiño Noriega (alcalde de Teo).
PRAZA_15626
Precisamos de lugares de encontro, NÓS Candidatura Galega foi ese lugar, é ese lugar.
Os resultados para o soberanismo galego foron un desastre, así se recoñeceu na mesma noite electoral. Foi a crónica dun desastre anunciado polas manipuladas e tendenciosas enquisas. Tiñamos o vento en contra e non fomos capaces de remontar. Son malos tempos para defender os dereitos das nacións e dos pobos, seica non é moderno. Nunha situación de crise económica e de recortes sociais os que mandan no estado español foron capaces de darlle a volta a esta situación de cabreo cunha estratexia que tivo éxito. O PP e o PSOE seguen mantendo un gran respaldo social, os partidos "emerxentes" recolleron o descontento e puxeron contra as cortas aos nacionalismos de Galiza, Paisos Cataláns e Euzkal Herria. As eleccións da televisión. Os medios de comunicación condicionaron as últimas eleccións ás cortes españolas. Estivérono facendo con moita antelación promocionando figuras político-mediáticas como Pablo Iglesias ou Albert Rivera. Fabricaron unha alternativa de esquerdas e outra de dereitas para que o descontento social non se lles descontrolara. As voces discordantes e as propostas políticas alternativas que defenden unha esquerda real e un dereito a decidir verdadeiro, o que lle corresponde ás nacións sen estado, nunca tiveron unha oportunidade para defender o seu ideario. Pola contra tivemos que aturar aos representantes de Podemos en canto programa había na televisión, por moi chabacano e decadente que fora, incluso unha vicepresidenta bailando. A quen defenden estes partidos de laboratorio? Por que saen tanto nos medios cando outras alternativas, tanto a nivel de estado como nas nacións (CUP, BNG, Bildu, etc.), que levan anos existindo nunca se tiveron en conta? Quen son os donos dos medios de comunicación privados que promocionan estas alternativas? Que intereses defenden? Coinciden cos do pobo galego, vasco, catalán ou español? Os amos non van liberar aos escravos por propia vontade, iso témolo claro. Estamos ante un intento, polo momento triunfante, de reconfigurar o panorama político no estado español. Cambiar para que nada cambie, o vello truco. Un cambio cómodo que non che fai saír á rúa, podes facelo desde o teu sofá mirando a TV, dándolle un gústame no facebook ou mandando un chío no twitter. O obxectivo desta estratexia é seguir garantindo a unidade de España e o modelo económico capitalista, a monarquía, a submisión á Otan e á UE. Os do Ibex35 poden descansar tranquilos, non hai revolución. NÓS Candidatura Galega Con este panorama e cun nacionalismo en horas baixas, máis correcto sería dicir un BNG en horas baixas, presentámonos ás eleccións cunha marca nova NÓS Candidatura Galega. Despois dun 25 de Xullo "unitario" tentouse conformar unha única candidatura galega para ter representación propia nas cortes do estado. Xa sabemos como acabou ese intento e quen quixo apostar por ela e quen non. Quen estivo facéndonos perder o tempo cando xa tiñan un acordo para presentarse, apostando polo oportunismo e os resultados fáciles baixo o paraugas de Podemos. Agora temos unha Orga 2,0, unha resurrección do piñeirismo. Experimentos que demostraron ser un fracaso e un mal camiño para Galiza, que non van servir para garantir a presenza de Galiza na política estatal cunha voz propia e independente. Os favores hai que pagalos e os compromisos con forzas alleas teñen o custe da submisión. Perdemos moito tempo tentando acadar un acordo imposíbel e chegamos ás portas das eleccións tendo que facer un proceso de primarias para escoller as candidaturas e elixir un nome para presentármonos. Coido que o nome foi o máis acaido, NÓS Candidatura Galega. Máis as eleccións non se gañan en quince días , gáñanse antes. O pasado da organización maioritaria do nacionalismo pesou moito nos resultados. O xiro soberanista non foi capaz de tapar un pasado marcado pola transformación dunha organización asemblearia nun partido tradicional que apostou pola vía institucional e deixou as rúas. Unha militancia transformada en afiliados non é capaz de facer o traballo que precisa unha organización que ten un proxecto emancipador. Deixouse de lado o soberanismo e a esquerda. Apesares diso, NÓS Candidatura Galega ilusionou a moita xente que se incorporou á campaña ou dou o seu apoio público. Fíxose un bo traballo na rúa e nas redes sociais. O seu principal éxito foi xuntar nese proceso distintas organizacións políticas, persoas sen militancia, persoas que militaron, traballando por este país. No future? O futuro do soberanismo pasa por facer unha reflexión conxunta que nós leve de novo ás rúas, que nós transforme en militantes, que sexamos coherentes cunha liña política clara no camiño da independencia, cun modelo asembleario e con máis esquerda. Debemos darlle continuidade a NÓS Candidatura Galega, ou como lle queiramos chamar, dándolle cabida ás organizacións e persoas que traballaron en NÓS, mais tamén a moit@s outr@s que non o fixeron pero deben estar. Estoume referindo a esa esquerda independentista, organizada e non organizada, que non podemos deixar fóra. Hai persoas moi válidas e traballadoras necesarias para que o barco leve o rumbo axeitado e non vaia contras as pedras. Non podemos deixarnos levar polos cantos de serea que piden a domesticación do soberanismo e a súa disolución en proxectos políticos distintos nas metas e nas formas. Tampouco é o momento de flaxelarnos polos resultados ou mirarnos o embigo e criticar aos que deron a cara por esta candidatura. Reivindicar agora a marca BNG para estas eleccións é non comprender a realidade e tropezar unha e outra vez na mesma pedra. Coa marca BNG non creo que se obtivesen mellores ou peores resultados, iso só e xogar ás adiviñas, pola contra moitos e moitas dos que participaron nesta candidatura non o farían. Precisamos de lugares de encontro, NÓS Candidatura Galega foi ese lugar, é ese lugar. Hai que seguir traballando por Galiza dun xeito constante e coherente cunha proposta clara e diferenciada, non con vistas ás próximas eleccións autonómicas, senón para dotarnos dun instrumento útil, para ter un movemento soberanista forte que represente os intereses do pobo galego. Precisamos máis esquerda e mais soberanía.
NOS_50070
O Carballiño será, desde a medianoite, o primeiro dos concellos galegos afectados polas restricións reforzadas pola alta incidencia do coronavirus que comeza a ver flexibilizadas as súas medidas, despois dun mes de confinamento perimetral, suspensión da actividade hostaleira e reunións acoutadas ás persoas conviventes.
Decidiuno esta quinta feira a Consellaría de Sanidade, tras a reunión co subcomité clínico que, á vista da mellora da situación epidemiolóxica, recorta as limitacións ao nivel 2, o que supón a posibilidade de entrada e saída, as xuntanzas de até seis persoas, con independencia da relación entre elas, e a recuperación do funcionamento de bares, restaurantes e cafetarías, que poderán servir agás na barra, cunha capacidade máxima de 50% no interior e de 75% na terraza. O Caballiño foi, a mediados de outubro, a primeira localidade na que a Xunta adoptou as restricións máis duras, que serviron de guía para as que hoxe están vixentes en 69 municipios. Entre eles cóntanse, desde esta medianoite, A Laracha e Vilalba, onde comezan a aplicarse as prohibicións de mobilidade, reunión sociais con non conviventes e da hostalaría pola evolución da última semana. No primeiro caso, o municipio incorpórase ao fechamento perimetral que rexe na comarca de Bergantiños desde a pasada fin de semana e que afecta os concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso. En canto a Vilalba, o confinamento limítase ao municipio. Ademais, o subcomité clínico recomendou onte reforzar o seguimento nas localidades de Ribeira e A Rúa, que, polo momento, continúan co nivel 2, malia ao aumento de contaxios dos últimos días. Na súa comunicación, a Xunta chama a cumprir coas medidas para frear o avance da pandemia e sinala que desta maneira, "os concellos poderán aliviar paseniñamente as súas restricións". As últimas decisións sanitarias da Xunta chegan nunha xornada na que Galiza sumaba, segundo os datos do Sergas, 700 novos casos activos, que se manteñen por enriba dos 9.000. Hoxe comunicábanse 9.086, cun pequeno descenso de 12 respecto á xornada previa, vinculada ás 700 altas médicas tramitadas nunha xornada na que se suman 12 falecementos, até os 1.119. Destaca o aumento de positivos na área sanitaria de Lugo, que suma 168, parte deles vinculados ao foco da residencia Asilo de Vilalba, e a de Vigo, con 171. Mentres, a presión asistencial mantense sen cambios notábeis na última semana. Onte, os centros hospitalarios mantiñan 569 persoas ingresadas, 97 delas en UCI, o que supón unha rebaixa de catro desde a xornada previa pero unha cifra case idéntica á de hai unha semana, con 100 doentes en UCI e outras 468 persoas en planta. Nos últimos sete días, a cifra de críticos chegou a estar en 110 persoas e o pico de hospitalizacións totais, en 610, cun leve descenso sostido nas últimas catro xornadas. Ademais, o mapa no que a Xunta marca os niveis de alerta incorporou onte Ordes, Vilanova e Salceda ao grao máximo, o vermello, do que saen Pontedeume, Porto do Son e Poio.
NOS_163
A que fora secretaria xeral de Igualdade na Xunta de Galiza e a portavoz parlamentar do BNG en materia de Igualdade dá un paso á fronte e preséntase ás eleccións primarias de Iniciativa pola Unión por Pontevedra. "Preséntome para dar o mellor de min mesma", confírmanos.
"Mediteino moito. Persoalmente teño unha vida complicada, mais creo que é un momento de que en que o compromiso debe estar por diante de todo. Fágoo con moitísima ilusión", explícanos Carme Adán sobre a súa decisión de presentarse ás eleccións primarias de Iniciativa pola Unión por Pontevedra, "é unha honra poder presentarme e fágoo para dar o mellor de min mesma. Hai moita xente que espera que demos o mellor de nós mesmas". En conversa con Sermos Galiza, Carme Adán afirma que nos atopamos diante "dun momento importantísimo para Galiza e por iso temos que nos comprometer para traballar polo país, para que Galiza teña a súa voz e acade a máxima representación posíbel". É consciente de que se van desenvolver "debates en que se van decidir cuestións fundamentais que teñen a ver coa vida das persoas", refírese ao chamado debate territorial, no que Galiza, salienta, debe ter a maior forza posíbel. Carme Adán: "Podo achegarlle á candidatura anos de experiencia e moita ilusión, así como a perspectiva de saber o difícil que é para as mulleres manterse na política" Sinala que pode achegarlle a Nós. Candidatura Galega "anos de experiencia e moita ilusión, así como a perspectiva de saber o difícil que é para as mulleres estar e manterse na política". Carme Adán preséntase co obxectivo de "sumar as persoas que senten Galiza e queren que Galiza teña voz propia". Sobre a importancia de que Nós. Candidatura Galega acade a maior representación posíbel no Congreso, sinala que "o nacionalismo galego leva 20 anos no Congreso defendendo o pobo galego, as clases populares e os sectores produtivos". "Agora que vemos como as forzas estatais, Podemos, Ciudadanos, PSOE, PP… fechan filas ao redor da unidade de España, sería realmente unha mágoa que non haxa unha forza galega que poida defender o carácter nacional de Galiza", engade. Sería realmente unha mágoa que non haxa unha forza galega que poida defender o carácter nacional de Galiza Profesora de Filosofía e autora de numerosas publicacións, Carme Adán (Donostia, 1966) saltou á primeira liña política en 2005, cando encabezou as listas do BNG ao Parlamento galego. Coñecida polo seu activismo no eido feminista, de 2005 a 2009 foi a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galiza. Desde 2009 é parlamentar do Bloque na Cámara galega. A decisión de Carme Adán, que esta mesma tarde presentará os 25 avais necesarios para se postular como candidata nas primarias de IpU, faise pública un día após sabermos que Carlos Callón concorrerá ás primarias pola Coruña.
PRAZA_16968
CON VÍDEO | O sindicato galego celebrou este 1 de maio coa vista posta no paro ao que agarda que se sumen tamén CCOO e UGT
Primeiro de Maio: Galicia, sen mocidade quedas que poida cotizar CCOO e UGT reclaman que a suposta fin da crise chegue aos traballadores A CIG convoca unha folga xeral para o martes 19 de xuño. Ese foi o gran anuncio que realizou este 1 de maio o secretario xeral da organización, Paulo Carril, ao comezo da manifestación principal que o sindicato nacionalista celebrou, como vén sendo habitual, en Vigo. Carril tendeu a man aos outros dous principais sindicatos, CCOO e UGT, e amosou a súa esperanza en que se sumen ao paro "tamén no conxunto do Estado". O sindicato galego celebrou este 1 de maio coa vista posta no paro ao que agarda que se sumen tamén CCOO e UGT Antes da marcha multitudinaria que desde a súa saída ás 11.30 na Dobrada, no barrio do Calvario, percorreu as rúas de Vigo, Carril argumentou que a folga xeral é necesaria para "frear a patronal e o PP". O secretario xeral da CIG enumerou os diversos problemas aos que se enfronta a clase traballadora, como o avance da pobreza e a precariedade laboral. "Camiñamos cara a unha situación social sen saída", dixo. Carril tamén se referiu á última gran folga, a feminista celebrada o pasado 8 de marzo, e salientou que a resposta que o sistema deu a esa mobilización foi "a sentenza da Audiencia de Navarra" contra a manada. Por iso, Carril apelou á necesidade de "intensificar" as protestas sociais ata acabar coa celebración dunha folga xeral. En Vigo, a manifestación da CIG, á que asistiu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tivo, como vén sendo habitual, un recorrido en parte coincidente co da marcha de CCOO e UGT, convocada por separado. Se o sindicato nacionalista saíu ás 12.00 horas da Dobrada para baixar cara ao centro por Urzaiz, os outros dous sindicatos iniciaron a súa marcha ás 11.30 horas desde Vía Norte para finalizar en Montero Ríos tras pasar tamén por Urzaiz. Ademais da de Vigo, a CIG convocou tamén manifestacións á mesma hora en Santiago, A Coruña, Lugo, Ferrol, Vilagarcía, A Estrada, Ribadeo, Cee e Ribeira, media hora antes en Pontevedra e Ourense, e pola tarde en Cangas. Ademais das manifestacións dos tres sindicatos principais, este martes tamén CUT e CGT convocaron unha marcha na Coruña Ademais das manifestacións dos tres sindicatos principais, este martes tamén CUT e CGT convocaron unha marcha na Coruña que ás 12.30 horas con saída da praza de Pontevedra baixo o lema 'Contra a explotación, a represión e o saqueo: a loita é o único camiño'.
NOS_18879
Nas negociacións, aínda non chegaron a falar de candidatas á Xunta.
As forzas herdeiras da coalición En Marea, que en 2016 se erixiu como líder da oposición na Galiza e rompeu o pasado mes de xullo, xogan estes días un partido a contrarreloxo para decidiren se volven concorrer xuntas o vindeiro 5 de abril ás eleccións galegas. O prazo para rexistrar as coalicións remata en nove días. O adianto electoral colleunas a todas nas patacas. É habitual neste espazo que os debates internos se alonguen no tempo sine die. E a data do 5 de abril marcada polos comicios vascos provocou que o entendemento nas forzas á esquerda do PSdeG teña que chegar antes do día 21 deste mes, se é que queren rexistrar unha coalición. Podemos, Esquerda Unida, Anova e as mareas municipais lideradas por Compostela Aberta e Marea Atlántica están en conversas pero semella que non saíron da caixa inicial. Está por ver se esa coalición, ademais de incluír á esquerda federal, contempla con peso específico o soberanismo e o espazo municipalista do país. O único partido que tiña todos os deberes feitos é Esquerda Unida, que xa consultara coa súa militancia no mes de decembro e proclamou a Eva Solla como a súa candidata. A propia Solla, en declaracións a Nós Diario, salienta que "estamos nun momento relevante no que as mulleres temos que ocupar un papel importante". De feito, todas as cabezas de lista de EU no país son mulleres. "As organizacións políticas teñen que poñer por diante os cargos políticos mellor preparados", engade Solla, que asegura que lle gustaría ter comezado "hai tempo" coas negociacións co resto do espazo, mais vai "respectar" os tempos das outras organizacións. A alianza entre EU e Podemos dáse por feita após o acordo baixo as siglas Unidas Podemos co que chegaron ao Goberno do Estado da man dun pacto co PSOE de Pedro Sánchez. O que resta é saber se nesa candidatura aínda ten cabida a visión de país de Anova, que vai no mesmo saco que as forzas municipalistas Compostela Aberta e Marea Atlántica. Podemos estabeleceu un calendario para as súas primarias que os leva máis aló da data para pechar as coalicións. Teñen pensado proclamar a súa candidata ou candidato o 27 de febreiro, para que o día 29 apareza xunto a Pablo Iglesias nunha conferencia política na que avanzarán nos seus "eixos programáticos". Con todo, fontes da formación morada defenderon a Nós Diario que "se pode negociar unha coalición sen contar previamente cun candidato" e que a persoa que escollan as súas militantes como líder "debería ser moi tido en conta" cara a representar a todo o espazo. É esta posición hexemónica de Podemos a que critican desde Anova, que non vai aceptar xogar un papel "ornamental" na coalición. "Pensamos que se ten que contemplar a traxectoria desde 2012", salientan desde a formación nacionalista, que só participará nesa candidatura unitaria se a esquerda federal conta co soberanismo e o municipalismo. "Podemos ten que ser consciente de que o que pretenden agochar ten un peso específico, un valor simbólico", sinalan estas mesmas fontes a Nós Diario. O que deixan claro desde Anova é que esta vez non se van "silenciar" como nas dúas convocatorias de eleccións estatais de 2019. "Anova vai estar nas eleccións e, seguramente, non soa", afirman. Así mesmo, estas fontes aseveran que van estar "á altura do momento" e que van apostar por chegar a un acordo "até última hora", sempre que Podemos "module a súa posición" e sexa consciente da "proxección electoral" que pode perder de deixar fóra as nacionalistas. A pugna polos nomes permanece no fondo das negociacións, pero os últimos movementos desde Podemos apuntan ao voceiro da coalición Galicia en Común no Congreso das Deputadas, Antón Gómez-Reino, que non confirma se se presentará para liderar unha candidatura nas primarias da súa formación. Sobre esas primarias Nós Diario puido saber onte que Luca Chao xa forma parte dunha lista coa intención de revalidar o seu escano como deputada no Parlamento da Galiza, pero que non liderará unha candidatura en Podemos. O outro nome que está enriba da mesa é o do ex alcalde de Compostela Martiño Noriega, designado por Anova como negociador da formación, que podería liderar a coalición de todas as forzas, se logran un acordo nestes nove días. Por outra banda, Nós Diario confirmou onte coa actual deputada do Grupo Común da Esquerda Paula Quinteiro que Anticapitalistas está en conversas co espazo co que convive no grupo parlamentar, mais busca acordos "máis alá do electoral". Así, Quinteiro lembra que o "institucional" non é o único espazo onde estar. O partido de Luís Villares mantén o diálogo baixo a proposta da "coalición horizontal" En Marea, o partido liderado por Luís Villares, segue mantendo que "o esencial é derrotar a dereita" nas vindeiras eleccións galegas". Aposta por unha "coalición horizontal" con BNG, Compromiso por Galicia, Anova, o Partido Galeguista e as mareas municipais, é dicir, con todas as forzas coas que comparte a defensa do "soberanismo", o "feminismo", o "ecoloxismo" e a "xustiza social". Fontes internas de En Marea confirmaron a Nós Diario que non teñen "prexuízos" nin "vetos" e que "a pesar de pensar que un encontro sería o máis beneficioso para todas", consideran que se estas forzas non queren ser "aliadas", serán "adversarias" nas urnas. Este sábado reunirase o Consello das Mareas, cita previa a unhas primarias que serán posteriores á data para rexistrar as coalicións.
PRAZA_4019
Hai 40 anos, o 25 de abril de 1980, Álvaro Cunqueiro pronunciaba en Vigo o discurso que acabaría converténdose no seu epitafio. Son varias as versións divulgadas da quel discurso, xeralmente reducidas ao parágrafo máis famoso. Recuperamos a que expertos na obra de Cunqueiro consideran mellor consolidada
Hai 40 anos, o 25 de abril de 1980, Álvaro Cunqueiro pronunciaba en Vigo o discurso que acabaría converténdose no seu epitafioEn abril de 1980 o escritor Álvaro Cunqueiro recibiu varias homenaxes en Vigo, no marco das cales pronunciou o discurso no que dixo cal lle gustaría que fose o seu epitafio: "Aquí xaz alguén que coa sua obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis". Menos dun ano despois Cunqueiro falecía e a frase, xunto con outra do mesmo discurso, acabaría incorporada á súa tumba no cemiterio vello de Mondoñedo para converterse co tempo nun desexo colectivo de pervivencia da lingua galega.Son varias as versións divulgadas daquel discurso, xeralmente reducidas ao parágrafo máis famoso pero que é moito máis amplo. Recuperamos a versión que expertos na obra de Cunqueiro consideran mellor consolidada, recollida en 2011 no número XX dos Cadernos Ramón Piñeiro, que á súa vez citan a Encrucillada. Revista galega de pensamento cristián no seu número de Marzo-Abril de 1981, e na que se sinala que o autor "dixo 'primaveiras' no canto de primaveras, que é o que ten que ser, consonte co que, o mesmo autor, deixou dito a prol de repristinizar o léxico ou os desleixos".Son varias as versións divulgadas daquel discurso, a maioría máis curtas, fronte a esta que expertos en Cunqueiro consideran a mellor consolidadaAínda que as homenaxes a Cunqueiro daquel abril de 1980 en Vigo foron varias en varios días consecutivos, segundo deixa constancia a prensa da época, a data que se ofrece para o discurso é o día 25, no que se presentou un disco coa súa obra poética ao que fai referencia a súa alocución. Os Cadernos Ramón Piñeiro tamén permiten comprobar que o discurso de Vigo presenta moitas similitudes con outros dous pronunciados por Cunqueiro antes e despois, o 28 de xaneiro daquel ano na súa investidura como doutor honoris causa pola Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago e o 25 de maio ao recibir o premio Pedrón de Ouro, intervencións nas que tamén fai similares referencias a que, coa súa fala, sentíase "dono da abidueira e do merlo" ou a que "si a lingua non continúa, nós non continuaremos como pobo". Pero este é o máis famoso:"Amigos todos: En primeiro lugar as miñas palabras teñen que ser de gracias ás entidades que convocaron este acto. Gracias moi especiais ao Rector Magnífico da Universidade de Santiago, que me honrou cun Doctorado Honoris Causa, a mín, un mal estudiante, que non podía pensar na ciencia porque andaba cos petos cheos de versos, de moitas toleadas e venteadas na cabeza. Moitas gracias a Domingo García-Sabell, un amigo irreprochable dende os anos mozos, alá nas ruas compostelanas. Moitas gracias a Francisco Fernández del Riego, bo amigo de toda a vida, unha compañía fíel e xenerosa, que nunca poderei pagar. Gracias a Ramón Piñeiro, outro da miña tribu luguesa por este primeiro tomo das miñas obras completas. Gracias a Xoana Torres, tan xentil e tan querida e que tanto se esforzou e fixo por este disco no que está a sua voz, decindo versos meus da mocedade. Moitas gracias. Dou as gracias a tódolos que estades aquí.Pero eu penso que tería que dar as gracias a unhas instancias mais altas. Tería que dar as gracias a El Señor. Loubado seña Deus, porque me permitiu nacer, medrar, facerme home e agora envellecer neste grande reino que chamamos Galicia, neste grande reino do Fisterre, que vai desde os montes astra o mar onde brillan os pés do vento, a este país dos dez mil ríos, do vello camiño das perigrinacións, a este país dos mil vales, a este país fermoso, eternamente verde, patria querida, a terra no senso barresiano: a patria son a terra e os mortos. Gracias a Deus por este reino.Loubado seña Deus tamén por terme dado o don da fala nosa, por haberme ensinado a decir "rula" e "abidueira" e "dorna" e "ponte" e "fonte", e entón eu, sabendo estas palabras, era verdadeiramente dono da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte.As miñas invencións e as miñas maxias teñen, nembargantes, un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago, eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ó lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa esta outra patria que é a fala nosa. Se de mín algún día, despois de morto, se quixera facer un eloxio, e eu estivera dando herba na terra nosa, podería decir a miña lápida: "Aquí xaz alguén que coa sua obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis".Tamén teño que dar as gracias a Deus por haber nacido nesta nación galega entre vós, por haber nacido no voso tempo e ser amigo voso; gracias por tanta xenerosidade que tivéstedes e tendes conmigo.Dixo o Xeneral De Gaulle que o pobo francés era un pobo que viña do fondo das edades. Isto é unha perogrullada. Tódolos pobos veñen do fondo das edades. O galego foise facendo pouco a pouco e lentamente, como tódolos pobos, o entramado do maxín e o raciocinio é a maneira de decir e a de expresar o mundo. Eu entre vós e convosco, intento averiguar, intento decidir qué somos nós, os galegos, e por ende xuntarme con vós, os galegos, para tódalas tarefas que importan á terra nosa. Moitas gracias.Hai un miragre nas Cantigas do Rei Afonso o Sabio, a quen esperamos que se lle adique o Día das Letras Galegas, en que un arcediago de París que estaba escribindo unha prosa rimada, non daba cunha rima e foi axeonllarse diante dunha imaxe da Nosa Señora na Igrexa de san Víctor en París, e pediulle que lle dese aquela rima que lle faltaba. E volveu ó seu escritorio e con pluma de ave escrebeu e achou a rima, e cando a tivo atopada, volveu outra vez a axionllarse diante da Virxe e leulle a súa prosa rimada. E dí a cantiga de El Rei Afonso que Nosa Señora inclinouse levemente ó Arcediago e díxolle: moitas gracias.Eu agora penso que todos vós sodes Santa Galicia, unha nai eterna que se inclina un pouco diante de mín para darme as gracias, porque eu lle fun ler unha prosa ou un poema. Pero eu, dende logo, non vos debía, non lle debía deixar á Raíña santa e eterna que é Galicia, darme as gracias, senón adiantarme eu e axeonllado decirvos: "moitas gracias, moitas gracias".
NOS_29101
A CIG convocou concentracións en cidades e vilas de todo o país contra a firma dos tratados que negocian en segredo os EUA e a UE.
Centos de galegas e galegos sumáronse este sábado aos actos de protesta contra os tratados que negocian en segredo Estados Unidos e a Unión Europea. As mobilizacións foron convocadas pola CIG en cidades e vilas galegas como parte da campaña para informar encol as consecuencias dos tratados TTIP (Tratado Transatlático de Comercio e Investimentos) e CETA (Acordo Económico de Comercio Global), entre outros. Como membro da Plataforma Europea Alter Summit, a confederación sindical sumouse as protestas simultáneas que se están a desenvolver en Europa e Norte América este 18 de abril. "De se aprobar os tratados suporán un golpe brutal á soberanía dos estados, ao quedar esta supeditada aos intereses e beneficios das empresas multinacionais e que provocarán un retroceso sen precedentes nos nosos dereitos económicos, sociais e ambientais máis elementais", explica a CIG. A xornada rematou cunha manifestación convocada por unha plataforma unitaria polas rúas de Vigo. #Vigo Manifestación contra o #TTIP pic.twitter.com/6teJchZUFe— Xabier R. (@xabierlatin) 18 abril 2015 A Coruña Paremos o #TTIP. Concentración na Coruña contra os tratados que nos rouban o futuro. pic.twitter.com/HiNSDbg2wN— CIG (@galizacig) 18 abril 2015 Ourense Concentración contra o #TTIP en Ourense. Rachar coa UE é a única saída! #NonAoTTIP pic.twitter.com/fpkjUXTDzg— Xeira (@Xeiramocidade) 18 abril 2015 Lugo Hoxe en Lugo tamén dixemos #nonaottip Grazas a tod@s @s que nos acompañastedes pic.twitter.com/OIiWMAb2R1— CIG Lugo (@CIGLugo) 18 abril 2015 Ferrol Ferrolterra, comarca arruinada polas políticas da UE, tamén di non ao #TTIP pic.twitter.com/hwjLWnrnMd— CIG (@galizacig) 18 abril 2015
NOS_21882
Hai moitas Begoñas Caamaño. Está a activista contra o machismo. Está a escritora de dúas novelas de fundamento clásico e ollada feminista. Está a xornalista. Ningunha delas caeu no esquecemento, a xulgar pola homenaxe que, no seu quinto cabodano, organiza a Deputación da Coruña co impulso de 7H Cooperativa Cultural e Implicadas no Desenvolvemento e a colaboración do concello compostelán. Será este 13 de outubro en Compostela.
As dúas novelas de Caamaño, que nacera en Vigo en 1964, servirán a nove poetas para unha "lectura pública e aberta" apoiada nas mesmas, Circe ou o pracer azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012). As participantes son Ana Romaní, Andrea Nunes, Belén Senín, Lara Rozados, Marga do Val, María Rosendo, Míriam Ferradáns, Susana S. Arins e Xiana Arias. Os textos servirán de inspiración ás artistas Axóuxeres e Chisqueiros, Cata Ukelele, Eva Agra, Iria Prol, María Lapido, Miss Hope, Rebeca Mariño, Vanessa Morais e Xoana Almar, quen "plasmarán creativamente as sensacións suscitadas nunhas caixiñas de paxaro, ave de especial simbolismo na obra literaria de Caamaño". Estas intervencións ficarán penduradas no Parque Begoña Caamaño, no barrio de Fontiñas, que é onde se desenvolverán as actividades da homenaxe a partir das 12 da mañá. Un concerto de Su Garrido Pombo ás sete do serán pechará Embegonhadas: mullerenagem a Begoña Caamaño. En paralelo ás accións poético artístico musicais haberá un obradoiro de creación literaria de Susana S. Arins e un laboratorio de introdución á arte urbana, a cargo de 7H Cooperativa Cultural. As librarías Lila de Lilith e Chan da Pólvora realizarán "un fanzine sobre as experiencias vividas no encontro".
NOS_30509
Artur Mas anuncia que a Generalitat mantén a consulta do día 9 mais non en base ao decreto de convocatoria que asinara. Ponse a disposición dos partidos pro-consulta para convocar unhas eleccións ordinarias mais con "lista conxunta e programa común" que as convertan en plebiscitarias.
Artur Mas anunciou que o 9 de novembro haberá consulta, mais non será en base ao decreto asinado polo president e suspendido polo Tribunal Constitucional, e será un test previo do que el propio cualificou de "consulta definitiva", que serían unhas eleccións plebiscitarias, "o que máis teme Madrid". O mandatario catalán dixo que se poñía a disposición dos partidos pro-consulta para esas eleccións ordinarias "convocadas polo president e cunha lista unitaria e programa conxunto" que faga delas o verdadeiro referendo. Mas insistiu en varias ocasiónas na súa intervención na importancia de que a xente participe e manteña aceso o proceso do "dereito a decidir". Criticou o inmobilismo do Estado español e asegurou que "o pobo catalán poderá votar o día 9". Como? O president garantiu que haberá "locais abertos, urnas e papeletas" para que as e os cidadáns poidan "responder á pregunta acordada no seu día". Mobilizará 20.000 voluntari@s. Crearase un órgano que supervise o proceso e a votación e os resultados coñeceranse o 10 de novembro. E farao, apuntou, empregando marcos legais pre-existentes que lle dan competencia en participación cidadá. Mais Artur Mas lembrou, e fíxoo en máis dunha ocasión, que esta consulta non é a "definitiva", se ben si que é importante ("En Madrid preocupa que ese día vaia moita xente votar"). A consulta definitiva, "con plenas e totais garantías" só pode facerse a través dunhas eleccións ordinarias que se transformen en plebiscitarias ao apostar as forzas pro-consulta por ir nunha lista unitaria e programa conxunto. E Mas dixo que se poñía a disposición do resto das forzas para explorar esa vía. E lembrou: "Eu non podo convocar eleccións plebiscitarias. Han ser os partits que se convenzan de que servirán para facer o referendo". Así foi o Minuto a minuto 10:40. O president lembra os rápidos pasos segudos polo Estado español e o Tribunal Constitucional. "Lo nunca visto", di, en español.. 10:38. "O noso propósito é que a xente vaia votar. Se houbese un Estado español diferente a este que temos non faría falla unhas eleccións (plebiscitarias) para poder votar sobre o noso futuro", indica Mas, pois habería consulta en base ao decreto. "En Escocia todo isto non fixo falla". 10:35 Recoñece Mas que nas xuntanzas das formacións pro-consulta houbo diferencias e diverxencias. E que houbo partidarios de manter a consulta en abse ao decreto asinado polo president. "Mais iso xa non serve". 10:27. Quenda de preguntas das e dos xornalistas. 10:24. "O éxito do dereito a decidir, da soberanía para Catalunya pasa por unha moi alta participación. En Madrid preocupan 2 cousas. Que moitos cataláns participeno 9N e que algún día se convoquen eleccións que se transformen en referendo". 10:22. "O adversario real é o Estado español, eu non me confundo de adversario. É o Estado o que impide que o pobo catalán sexa consultado. Sublíñoo agora que o consenso político é máis feble. É o Estado quen fai todo o posíbel para nos impedir votar". 10:21. "O instrumento que máis temen en Madrid son unhas eleccións convocadas polo president cuns partidos con candidatura unitaria e programa conxunto" en defensa do referendo, da "consulta definitiva" afirma Artur Mas. "Estou a disposición dos partidos", manifesta Mas. 10:20. "Non é a consulta definitiva. Esa só se pode facer con plenas e totais garantías só se poden facer en eleccións que se transformen nun referendo de facto". 10:19. "O pobo catalán será consultado sobre o seu futuro político". 10:18. "As noticias excelentes duran só unhas poucas horas" afirma Mas en referencia á frase de Rajoy sobre a suspensión da consulta ("É unha nova execelente"). Crearase un órgano para supervisar a consulta e os resultados coñeceranse o día 10. 10.17. "Todo o que queira votar poderá facelo e responder á pregunta acordada no seu día polas forzas pro-consulta" 10:16. "Prepararemos toda a loxística necesaria para que os cidadáns poidan votar o 9N: mesas, colexios, locais, voluntarios..." "Todos os locais que se abrirán para votar pertencen á Generalitat" 10:15. "A Generalitat acudirá a marcos legais pre-existentes que nos dan competencia en materia de participación cidadá. Somos competentes para facer procesos de participación cidadá". 10.14. "A consulta non se fará de acordo co decreto que asinei, pola decisión do Tribunal Constitucional". 10:13. "O goberno catalán mantén o obxectivo de facer a consulta o 9N. Haberá urnas e haberá papeletas. Toda poboación maior de 16 anos poderá ir aos locais con urnas" 10:12 "O goberno está decidido a seguir adiante, facer consulta e facela o 9N. Agora explicarei como" 10:11. "O consenso político é basico para poder superar retos tan grandes e maiúsculos" 10:10. "É unha convocatoria con certa urxencia", recoñece. "Hai dez días decidimos nunha reunión os partidos pro-consulta seguir adiante xuntos. Neses dez días fixemos todo o posíbel". 10:08 Artur Mas xa na tribuna 10:03. Informan dun leve retraso no inicio da comparecencia do president. Aceptará preguntas 9:00. Nun encontro en Madrid organizado polo 'Financial Times' Mariano Rajoy afirmou que agarda a escoitar a comparecencia de Artur Mas, mais que a retirada da consulta é unha "excelente nova" e fixo unha loa da Constitución espoañola.
NOS_37443
A decisión tomouse esta segunda feira no decorrer dun Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde convocado de maneira urxente. Noutros países detectáronse tromboses en persoas que foran inoculadas co medicamento e aquí xa se coñece o primeiro caso.
O Goberno do Estado español anunciou hai escasos momentos a decisión de suspender de forma temporal o subministro da vacina contra a Covid-19 pertencente á farmacéutica AstraZeneca.Malia que hai días que a dúbida estaba no aire, non foi até esta segunda feira cando se optou por agardar aos posíbeis efectos após de que noutros Estados se detectaran varios casos de tromboses a persoas que foran tratadas con este fármaco. A decisión saíu adiante no pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), convocado de maneira urxente para hoxe pola ministra de Sanidade, Carolina Darias, e no que participaron os conselleiros de Sanidade dos distintos territorios. Este paro na campaña de vacinación xa fora adoptado por Francia, Alemaña, Italia, Austria, Dinamarca, Estonia, Lituana, Noruega, Islandia, Tailandia e Irlanda. Aliás, zonas como Cataluña, Castela e León, Canarias, Comunidade Valenciana, Asturias e Andalucía suspenderan preventivamente a inoculación deste tratamento. Na Galiza o lote que está a ser investigado foi a parar a persoas de entre 50 e 55 anos. De feito, o sábado houbo unha vacinación masiva en 14 puntos do país con preto de 15.000 doses administradas. A Axencia Europea do Medicamento segue a estudar as circunstancias dos casos trombóticos notificados, aínda que sinalou que, polo momento, non hai indicios de que a vacinación causase estas afeccións, "que non figuran como efectos secundarios desta vacina". Aquí acaba de transcender que esta fin de semana detectouse un caso similar nun doente, se ben desde a Axencia Española do Medicamento, a súa directora María Jesús Lamas, non achegou máis datos. Xa na pasada sexta feira a Organización Mundial da Saúde (OMS) defendeu que "non hai razón para non usar" a AstraZeneca. "Hai persoas que morren todos os días, polo que é normal que haxa persoas que foron inmunizadas e morren. Os informes dispoñibles ata o de agora non establecen unha relación directa cos trombos xa que esta porcentaxe observouse tamén entre a poboación xeral", destacou a subdirectora xeral da OMS para o Acceso a Medicamentos e Produtos Sanitarios", Mariângela Simão.
NOS_32765
O presidente bolivariano deu conta da detención de tres xenerais que pretendían, indicou, mobilizar "a Forza Aérea contra o Goberno lexítimamente constituído".
O presidente da República Bolivariana de Venezuela informou esta terza feira (25 de marzo) da detención de tres militares pertencentes á Forza Aérea do país por estaren a preparar un golpe de Estado. Segundo explicou Nicolás Maduro, os militares "pretencdían alzar a Forza Aérea contra o goberno lexitimamente constituído" e pasaron xa a disposición xudicial. A detención produciuse após seren denunciados pola propia Forza Armada Nacional Bolivariana que os acusou, asemade, de "estaren vinculados á oposición". Esta acción do executivo bolivariano prodúcese no medio dun "plan para desestabilizar o país", denunciou o líder bolivariano, que estaría artellado polas forzas opositoras ao goberno. Neste senso, os tres xenerais aseguraban que "esta semana ía ser decisiva". Así, para tornar a balanza en favor da oposición os militares preparaban un golpe de estado alentados, sinalou Nicolás Maduro, por "consellos de quen quer destruír a democracia" e "soñan cunha intervención militar estranxeira". O presidente de Venezuela reiterou na súa comparecencia pública a chamada ao diálogo porque, dixo, "queremos o camiño da paz e a verdade".
PRAZA_671
A iniciativa #dependedenós, baseada en preguntas ligadas a novas da prensa, procura "incitar á reflexión" sobre políticas concretas antes das eleccións do 24 de maio
"Abandono do rural ou traballo e servizos?". "Recortes ou vida digna?". "A saúde como negocio ou como dereito?". "Touradas ou apoio á cultura? Son algunhas das vinte e unha disxuntivas que formula a iniciativa Depende de nós que, canalizada a través da web Dependedenos.gal, pretende "incitar a reflexión" da cidadanía sobre políticas concretas coa vista posta nas eleccións do vindeiro 24 de maio. Sen logotipo partidario nin fotos de persoas candidatas ás alcaldías o sitio web limítase a formular as preguntas e ligalas con cadansúa nova na prensa. Así, por exemplo pregúntase se cómpre apostar "polo cemento ou polas persoas" ligando a unha información sobre o risco de que unha autovía atravese a Ribeira Sacra, pregúntase pola necesidade dunha "Galiza con futuro" dirixindo cara a unha nova sobre emigración xuvenil ou lánzase unha cuestión sobre conciliación vinculándoa a unha denuncia da CIG sobre horarios abusivos en Zara. A intención da web, baseada en preguntas ligadas a novas da prensa, é "incitar á reflexión" sobre políticas concretas antes das eleccións Unha multa ao alcalde de Monforte por protestar contra a suba do canon de Sogama, a redución das axudas á produción audiovisual en galego ou a liquidación en Compostela dun proxecto de vivenda pública para a mocidade por parte da Xunta e do Concello son outras das preguntas que acompañan a etiqueta #dependedenós. A iniciativa, xurdida dende a contorna do BNG, circula xa polas redes sociais e a "idea", din as persoas que a impulsan, é "tentar establecer un diálogo" coa cidadanía antes dos comicios. "Trátase de conseguir a complicidade da xente, buscar a súa opinión e promover a reflexión" sinalan. Este formato de campaña procura tamén, indican os creadores de #dependedenós, que "as preguntas esperten o debate nas redes e produzan a interacción" a respecto das preguntas formuladas, algo que, afirman, xa está a acontecer. A intención da web e da súa difusión é tamén alimentar o debate sobre cuestións concretas que posteriormente serán abordadas tamén na propia campaña do Bloque, que concorre ás municipais coas candidaturas BNG-Asembleas Abertas. Neste sentido, a previsión da dirección da formación frontista é que a precampaña propiamente dita sexa lanzada despois da Semana Santa.
NOS_40652
Do que un día foi Sargadelos apenas vai quedando rastro. Aquel conglomerado empresarial, en que parte das plusvalías obtidas pola fabricación de cerámica servían para financiar activismo, investigación cultural e recuperación da memoria democrática de Galiza, ficou reducido á louza. Unha desas pólas atópase agora a piques de pasar a mans da Universidade da Coruña: os históricos fondos documentais e xeolóxicos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe que quedaban no Castro (Sada).
Unha nutrida biblioteca -libros, separatas e revistas científicas-, documentación epistolar de máis de oitenta anos e tres importantes coleccións de pedras e fósiles compoñen o núcleo dos materiais. Todo ten a súa orixe en Isidro Parga Pondal (1900-1986), o químico especializado en xeoloxía, expulsado da universidade compostelá en 1936 a causa das súas ideas progresistas -tamén a respecto da propria institución- e nacionalistas. O Laboratorio Xeolóxico de Laxe foi produto daquel tempo do sapo, a posguerra. Parga Pondal fundouno na súa vila natal en 1940 para se dedicar "ao estudo da xeoloxía de Galiza e do Hercínico Penínsular Ibérico". "Ate o final da súa vida profesional en 1969, senta as bases actuais da moderna xeoloxía galega", expoñen na páxina web do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, que recolle o espírito daquela experiencia. Unha década despois da xubilación do científico, o seu fillo José Ramón Parga Peinador -continuador do proxecto- morreu en accidente de tráfico. É cando apareceron, providenciais, Sargadelos e Isaac Díaz Pardo. Os fondos documetais, a litoteca, a hemeroteca e a biblioteca mudáronse de Laxe ao Castro, en Sada, onde un edificio do complexo acolleu, desde 1979, a sede do laboratorio e os seus traballos. A Universidade da Coruña cruzouse en 1994, cando asinou un convenio co Seminario de Estudos Galegos e mais o centro xeolóxico -ambas as dúas institucións integradas en Sargadelos- que desembocou, tres anos despois, na constitución do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal. Os materiais históricos e a biblioteca, en ampliación continua, ficaron en Cerámicas do Castro de Samoedo e son os que agora a universidade procura asumir. A colección de rochas de Isidro Parga Pondal, a de fósiles -base do seu fundamental estudo da era cuaternaria- e o modelo en escaiola do segundo mapa xeolóxico moderno de Galiza, fabricado por Díaz Pardo segundo as instrucións de Parga Pondal. O segundo, porque o primeiro fíxoo Guillermo Schulz en 1834, o xeólogo alemán do que o Laboratorio Xeolóxico de Laxe garda amplos fragmentos da súa colección de mostras. O esmorecemento da dimensión cultural "Estes fondos teñen moito interese", explica o catedrático da Universidade da Coruña Juan Ramón Vidal Romaní, "hai libros que eran da biblioteca de Parga Pondal, e a súa mostra de rochas abrangue todo o territorio galego. Foi a segunda, despois da de Schulz, elaborada con criterios científicos". Propiedade da universidade coruñesa, dos descendentes de Díaz Pardo e mais dos de Parga Pondal, estes materiais completarían o Instituto Universitario que leva o nome do xeólogo no caso de se pechar o acordo. Circunstancia que Vidal Romaní considera máis que probábel. A dirixencia que tomou o leme de Sargadelos despois de afastar ao fundador Isaac Díaz Pardo desentendeuse das iniciativas culturais que marcaban a singularidade do proxecto. A liquidación de Ediciós do Castro -editorial pioneira na recuperación da memoria histórica-, a clausura do Museo Carlos Maside ou o desartellamento do Laboratorio de Formas -centro ideolóxico do entramado- así o certifican. Os herdeiros de Isaac e de Parga Pondal e a Universidade da Coruña negocian agora unha solución para o legado orixinado a partir do labor deste último.
NOS_18146
O partido de Pablo Iglesias en Nafarroa considera "inadmisíbel" que a proposta non contemple maior protagonismo da formación. 'Ahora en común' xa elixiu os seus candidatos á Cámara alta. EH Bildu e Geroa Bai piden unha aposta sincera "na unidade".
A posibilidade dunha candidatura unitaria navarra ao Senado esvaece polas reticencias por parte de Podemos e IU, segundo informan varios medios de Nafarroa e Euskal Herria. A iniciativa desta lista conxunta para a Cámara alta foi lanzada desde Geroa Bai, formación da esquerda nacionalista vasca que ten a presidencia da Comunidade Foral. Unha proposta aberta ás catro formacións que, como ten sinalado a presidenta navarra, Uxue Barkos, conforman "o cambio" en Nafarroa: Geroa Bai, EH Bildu, Podemos e Izquierda-Ezkerra [coligazón de IU, Batzarre e independentes], que sustentan goberno foral e tamén o executivo local de Pamplona-Iruñea. Mais desde Podemos xa se sinalou que consideraban "inadmisíbel" que os membros do seu partido non tivesen máis protagonismo na candidatura. Referíase a que as propostas para a candidatura non contemplasen persoas de Podemos. As outras forzas lembráronlle que a actual senadora por designación autonómica na Cámara alta é de Podemos. De por parte, 'Ahora en Común', marca de IU e Batzarre para estas eleccións, xa elixiu en primarias os seus candidatos ao Senado por Nafarroa neste 20-D. Geroa Bai defende que as e os senadores eleitos por esa eventual candidatura se integrarían no grupo mixto e non no de Podemos Desde Geroa Bai, Koldo Martínez cualificou de "mala nova" a postura de Podemos mais asegurou que todo está aberto. Lembrou que non hai propostas concretas de nomes sobre a mesa, e que o importante é concordar nas persas. Reiterou que as e os senadores eleitos por esa eventual candidatura se integrarían no grupo mixto e non no de Podemos. Desde a esquerda abertzale, Adolfo Araiz (EH Bildu) pediu "apostar na unidade" porque, sostén, poderían ser a primeira forza nestas eleccións en Nafarroa.
NOS_29649
"Os participantes na carreira 'pisotearon' as estruturas do xacemento castrexo, con total normalidade e impunidade", denuncian.
"Escandaloso e intolerábel". Así cualifican desde a Asociación de Defensa do Patrimonio Galego (Apatrigal) a proba de 'trail' que nun dos seus tramos atravesou o castro de Santa Tegra, un ben de valor histórico e patrimonial, cos participantes correndo por riba dos muros dos muros dos castros. "Os distintos participantes na carreira pedestre 'pisotearon' as estruturas do xacemento castrexo, con total normalidade e impunidade Dubidamos das autorizacións que tiveron, pero consideramos que non é o modo de tratar o noso Patrimonio Cultural, nin un exemplo para os cativos", sinalaron desde Apatrigal a través das redes sociais. "Este tipo de eventos, segundo a Lei de Espectáculos Públicos, debe contar coa autorización municipal (o Concello é un dos patrocinadores) e da autorización de Patrimonio (que non a daría) Onde están os responsables?", pregunta. Por volta de 200 persoas participaron nesta carreira. O castro de Santa Tegra ten sido albo de diferentes comportamentos 'incívicos', como as merendas e festas que se teñen feito dentro do recinto e que tamén foron denunciadas por diferentes colectivos. As carreiras a pé monte a través, denominadas agora 'trail', levan décadas practicándose na Galiza, na gran maioría das ocasións con respecto á contorna paisaxística, natural e patrimonial por onde decorren. De feito, as principais denuncias e críticas por danos e destrución de patrimonio na Galiza diríxense contra a industria forestal, nomeadamente a ligada ao eucalipto. Colectivos e organizacións alertan da gravidade e dimensión do problema: castros, mámoas, xacementos, destruídos nas tarefas forestais. Queren que xustiza e administración actúen.
PRAZA_2621
Calquera poema é unha forma nova de dicir, con moitas palabras, algo que signifique "non", ou "vida", ou de chegar a dicir "soño no que se está con moita xente vestida de gala nadando moito tempo no fondo dunha piscina" só con unha. Así define Jesús Castro Yáñez, o gañador do Pérez Parallé, a poesía.
Jesús Castro Yáñez vén de gañar a XXVIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé coa obra Os nomes e os himnos. Nado en Baltar (A Pastoriza), no 1992, o autor xa fora recoñecido antes co Minerva, o Xela Arias, o Ánxel Casal ou o II premio no certame Díaz Jácome. Di el mesmo que, para el, a poesía foi unha descuberta tardía. Pero que se foi decatando de que era o que quería facer. Que supón para ti recibir este premio? Ao lado de outros que xa gañaras como o Minerva, Ánxel Casal... A resposta é predicible: este premio supón unha alegría maior por mor da publicación do libro por parte de Espiral Maior. Os anteriores, ademais de participar sempre cun volume de poemas moito menor, e aínda que supoñían un recoñecemento por parte dun xurado e unha compensación económica -factores a non desprezar para nada-, dalgún xeito recibinos cunha sensación de que gañar o premio non servía de moito se logo non ía poder chegar a un público. Os poemas quedaban para ninguén, mudos, incompletos sen un lector ou lectora, a non ser que os acabase poñendo en internet. Es moi novo, ademais. Escribes poesía desde sempre? De que maneira o lugar onde te criaches inflúe no que escribes? É un poemario bastante atento aos sentidos, que moitas veces nos sitúa no rural. Escribo poesía dende hai relativamente pouco. Foi unha descuberta tardía: comecei a ler poemas arredor dos dezaoito anos. Puido ter sido unha obsesión dun par de meses e nada máis se non se tivese dado a casualidade de gañar o Minerva. Dalgún xeito foi a confirmación externa a unha certeza que comezaba a ter de que iso era o que eu quería facer, escribir poesía. En canto á influencia do lugar onde me criei, podo dicir que o poema é permeable ao lugar vivido. O río -medrei ao carón do Miño, na parroquia de Baltar, en A Pastoriza- está de forma reiterada ao longo do libro. É un poemario que presta moita atención á natureza en xeral, e en especial á auga. Non sei en que medida son imaxes que aparecen de forma inconsciente ou son buscadas, pero nun poema será difícil que fale de semáforos ou tráfico. Falarei, por exemplo, dun pomar ou dunha muller debullando fabas. Considero que é a miña responsabilidade, e non só como poeta, non evitar que o que escribo sexa rural se case toda a miña vida tamén o foi. Alégrame por outra parte que digas que é un poemario atento aos sentidos, porque é algo no que, sobre todo na primeira metade do libro, traballei intencionadamente. Cara o comezo hai máis aliteración, anáforas, mesmo rima libre e asoante, -si, rima a estas alturas-. Na páxina non está o poema: está o que queda do que o poeta e o poema construíron entre os dous, o resultado dunha negociación entre escritor e linguaxe, e a rima é unha trampa que se fai deixándolle á segunda máis parte do traballo. Na outra metade do libro intentei avanzar cara a formas máis prosaicas e transparentes, e poemas un pouco máis longos, para saír desa zona de confort de figuras alegóricas e de brevidade aforística. Non sei se o conseguín na medida que eu quería, pero a intención cando menos era esa. "Considero que é a miña responsabilidade, e non só como poeta, non evitar que o que escribo sexa rural se case toda a miña vida tamén o foi" Como foi o proceso de escrita deste libro? Dá a impresión de recoller poemas feitos en distintas circunstancias. Por que o estruturaches en partes e cal é o significado de cada unha? O proceso de escrita foi longo. Por iso mesmo está dividido en catro partes, que en función do momento e as condicións nas que foron escritas teñen temáticas distintas, así como variacións na sintaxe, na puntuación, na extensión do verso e do poema... Penso que hai un cambio bastante acusado que deixa ver unha evolución entre a primeira das partes, Nome, a primeira que escribín, e a cuarta, Himno, máis recente. Supoño que é o que pasa cando un xunta poemas durante catro anos. Estruturalo en partes parecíame o máis axeitado para que os poemas de cada conxunto tivesen entre eles unha coherencia e non mesturar algúns máis inxenuos con outros de ton algo máis reivindicativo, ou poemas que falan do "eu" con poemas que lle dan a voz a un "nós". Como pasa con case todo, alén da literatura, en conciliar as partes está a totalidade do conflito. O tempo e a memoria son algúns dos eixes temáticos do libro. Cal era o obxectivo e como naceu? A memoria é un dos eixes, xunto con outros, como a identidade e a palabra en si e as súas posibilidades. Xa sei que non é unha temática orixinal senón todo o contrario. Son tópicos universais pero nos que con sorte outros poderán recoñecerse, pois apuntan cara ao asombro de ser humanos. É difícil establecer temáticas na poesía. Por momentos penso que o único tema posible dun poema é o seu estilo ou, indo máis alá, a súa lectura, ou as súas intencións. Coa poesía o que intento é converter as palabras en letras para poder dispoñer dun alfabeto infinito. Calquera poema é unha forma nova de dicir, con moitas palabras, algo que signifique "non", ou "vida", ou de chegar a dicir "soño no que se está con moita xente vestida de gala nadando moito tempo no fondo dunha piscina" só con unha. "Por momentos penso que o único tema posible dun poema é o seu estilo ou, indo máis alá, a súa lectura, ou as súas intencións" Hai algunhas imaxes que se repiten, como o lume. Cales son e cal é o significado que queres darlles? Unha das labores dun poeta é facer súas catro ou cinco palabras, e con elas poder dicilo todo, mesmo contradicirse. O lume aparece na segunda parte, Catro xardíns ardendo, pero no resto do libro a auga é o elemento imperante. Seguramente "auga", xunto con "nome" ou "luz", sexan as palabras nas que máis insisto. Aínda que repetirse pode ser autocompracente, e por iso perigoso. Non hai que deixarlles ás palabras saber cando queremos usalas. Precisan de nós que non sexamos predicibles. Hai poemas directamente relacionados entre si, como a serie "xardíns". Por que? Podería dicirse que en cada parte do libro hai un fío conector, para o cal tamén son esenciais os títulos, que todos os poemas teñen. Quizais onde é máis forte ese vencello, como ti ben dis, é nesa serie, que poida que sexa a parte máis diferente do libro en canto á estrutura dos poemas, puntuación e léxico predominante. Nesa parte do libro é onde mellor se reflicte a miña idea de tratar o poema como un xardín semántico. "Agora este pobo non ten máis bandeiras/ ca si mesmo", di un dos poemas. De que maneira está Galicia, a túa idea do pobo galego neste poemario? Galicia está presente xa desde a propia decisión lingüística. En realidade ese poema non o escribín pensando no pobo galego directamente pero hai unha forma de relacionar o concepto. Os versos tíralos dun poema da terceira parte, Caín, que serve como unha especie de manifesto a prol de calquera tipo de colectivo minorizado. Toda esa parte é unha reflexión sobre culpa e inocencia, unha denuncia á inmobilidade e a todo o que os que pertencemos a unha minoría dun xeito ou doutro nos vemos forzados a desaprender. No libro hai referencias relixiosas pero porque as utilizo para reformular o que poderían significar. É unha forma de reapropiación dos símbolos doutros discursos. "Toda esa parte é unha denuncia á inmobilidade e a todo o que os que pertencemos a unha minoría dun xeito ou doutro nos vemos forzados a desaprender" O verso está moi coidado... Como é o proceso de escrita, nese sentido? O proceso de escrita é moi lento. Desde que xermola o poema na miña cabeza ata que comezo a escribilo pode pasar moito tempo. En canto escribo a primeira palabra xa está condenado a non ser todo o que podería ter sido, o poema a medida que se escribe vai pasando a través dun funil e vendo reducidas as súas posibilidades, ata que a última palabra só pode ser unha, e debe ser a exacta. Por iso o que fago é darlle moitas voltas na cabeza antes de escribir nada, coma quen ten aberta unha páxina web no buscador moito tempo, sempre de fondo, coma un recordatorio. Para cando me poño a plasmalo, queda resumido porque é como se todo ese tempo estivesen notas mentais e ideas pasando a través dunha peneira. Se hai algún poema longo no libro é porque me forcei a escribilo, pero de forma natural só consigo formular poemas curtos, moi coidados. Cantas máis palabras se usan dáme a impresión de que é máis sinxelo desviarse do que un quere dicir, de que custa moito máis que queden os poemas ben pechados. Dedícaste á medicina -creo que aínda estudas-. Como é recibido no teu entorno familiar e de amistades o teu outro "oficio" de poeta? Actualmente estou a cursar o último curso da carreira de Odontoloxía. No meu entorno máis próximo o certo é que nunca lle pareceu raro a ninguén. Curioso, pode ser, porque non o ven como algo pragmático, a non ser cando está remunerado, claro. Iso si, na maioría dos casos nunca se produce curiosidade dabondo como para coller un libro de poesía e poñerse a lelo. Supoño que será cousa de seguilo intentando. Polo de agora xa cachei algunha vez a miña nai, que me dicía que deixase de perder o tempo "niso das poesías", lendo na casa algún borrador meu con cara de concentración. Pequenas vitorias, supoño! "Polo de agora xa cachei algunha vez a miña nai, que me dicía que deixase de perder o tempo "niso das poesías", lendo na casa algún borrador meu" Cal é a súa relación cos teus libros anteriores? Xa me dicías que non tiña moita, que eran cousas distintas. En realidade non teño ningún outro libro como tal, si algunha serie breve, e poemas soltos. Supoño que algunha relación terán todos entre sí, pero é unha relación que eu non coñezo. Se o soubera, igual xa non tiña motivos para seguir escribindo. As miñas palabras saben máis do que eu lles digo. É importante deixar que as cousas conserven a súa parte de misterio.
NOS_51281
Unha imaxe brutal e sobrecolledora abre o texto: a rexeneración anfibia dun corazón. Aunando o acuático e o sobrenatural, dous dos fíos que ganduxan a colección de relatos 'O axolote e outros contos de bestas e auga', coa que Lara Dopazo Ruibal (Marín, 1985) levou o Premio Illa Nova de Narrativa 2020. O título ve agora a luz da man de Galaxia.
Máis coñecida até o momento polas súas incursións na poesía –ovella (Concello de Outes, 2016), Os lobos na casa de Esaú (Chan da Pólvora, 2017), claus e o alacrán (Espiral Marior, 2018)–, Lara Dopazo Ruibal gañou o favor do xurado do Illa Nova con O axolote e outos contos de bestas e auga. O veredicto destacaba o "manexo da tensión e intensión para crear atmosferas envolventes" con "finais abertos, inquietantes e de lecturas múltiplas". Este libro acode ao formato do conto, tan arraigado na oralidade, mais tamén na escrita. Que a leva a empregar esta fórmula? Foi unha escolla inconsciente, pero porque o conto vén sendo o meu nutritivo non sei se literario, mais si emocional desde moi pequena. Non só porque de nena me contaban contos, como a todo o mundo, senón porque na miña casa, aínda que podería discutilo moito con miña nai, ela e parte de miña familia son moi boas contadoras, especialmente as mulleres. Iso a min filtróuseme en vea. Logo, como lectora gosto moito do formato pequeno e dalgunha maneira supoño que acabamos facendo aquilo do que nos alimentamos. "O conto vén sendo o meu nutritivo non sei se literario, mais si emocional desde moi pequena" Ademais, estou convencida de que os contos forman parte constante da nosa vida. Todo o mundo conta historias todo o tempo aos demais, o que pasa é que cando nos facemos adultas perdemos esa conexión. Relacionamos termos co que facemos coa oralidade e co que facemos nun contexto máis formal ou culto. Nese senso, cales son as súas referencias, alén desa presenza do conto na sociedade? Ten algún autor ou autora de cabeceira? O meu autor de cabeceira é o conto tradicional galego que se contaba de boca en boca. De cativa fascinábanme os contos da Santa Compaña, das transformacións de persoas en animais e viceversa, os bichos que ían a Santo Andrés de Teixido... que despois recolleron moitos autores, como Cunqueiro ou Dieste. Eles conseguen refacer esa tradición popular, tornala súa, cos seus propios símbolos. Porén, todos bebemos da mesma fonte, sen querer eu pórme á altura deles, que conste! "O meu autor de cabeceira é o conto tradicional galego que se contaba de boca en boca" Creo que iso se traduce tamén na forma de contalos, que bebe da oralidade. Fíxate que é algo que me sorprendeu. Eu en ningún momento os vin como contos para contar oralmente, paréceme que están escritos moi narrativos, moi "para ler", pero todo o mundo me di que son moi orais. Entón igual teño que repensalo. Para min, a lectura en voz alta, quer en poesía quer en narrativa, é moi importante, así que ao mellor se me colou sen ser eu consciente o ritmo da oralidade. Non me refería tanto a que sexan para ler en voz alta como a que cando os les teñen esa frescura do oral. Iso si que pode ser. Teñen un ritmo bastante lixeiro, sen demasiadas descricións. E como foi o proceso de escrita? Estaba claro desde o comezo que quería facer unha obra, con ese senso forte de unidade? Para nada, foi o proceso de escrita máis deslavazado da historia. O primeiro conto escribino en 2014 e o último a comezos de 2020. Imaxina cantos anos levo para facer un libro de 100 páxinas! Ao comezar a escribir non era consciente de que remataría nunha colección de contos nin nada parecido. Simplemente empecei con un, logo con outro... Cando levaba uns cantos, un día repasándoos dixen: "Espera, aquí parece que hai algo en común". Aí comecei a ver eses fíos condutores que son os finais abertos, a presenza da animalidade, o sobrenatural... A partir dese momento, consciente destas conexións, o que fixen foi camiñar cara a ese lado, consciente ou inconscientemente. Pero tardei moito en decatarme diso. Foi un proceso super lento, que penso que reverteu positivamente no libro. Os textos foron revisados moitas veces, desde perspectivas moi distintas. En catro ou cinco anos, canto podes cambiar ti e a túa técnica... Eu creo que iso favoreceu que fose un libro moi traballado, onde se puliu todo o que sobraba. Eu xa habitualmente non teño presa para publicar, pero este tomeimo con especial calma. Un deses denominadores comúns que mencionaba, o sobrenatural que aparece nun universo cotián, semella levarnos a falar de realismo máximo. Totalmente, iso é algo que levamos en vea. O que pasa é que cando somos adultas ás veces acabamos perdendo esa maxia, esa fantasía, que tan presente está nas nosas vidas en moitos outros aspectos. A min gústame moito como lectora e aquí botei todo o que eu gostaría de ler. O axolote, un anfibio endémico de México, moi presente na súa cultura, dálle título ao libro e ábreo cono protagonista do primeiro relato. Por que escolle este animal? É un animal que me fascina desde sempre. De feito, ocupa a miña imaxe de What's App desde que o teño. Ten unhas propiedades bastante curiosas: é capaz de rexenerarse completamente, calquera órgano, incluído o corazón. É brutal. Pero está en perigo de extinción. Todo isto abraioume moito, aínda que nunca vin un en persoa, só existen en cativerio. A idea do conto veu por aí. "Ten unhas propiedades bastante curiosas: é capaz de rexenerarse completamente, calquera órgano, incluído o corazón" Cando me din conta de que tiña un libro, pasei moito tempo buscando un título. Son moi mala niso, o que está mal pensando que son xornalista, pero é así [ri]. Logo de darlle moitas voltas, ou escollía un título de algo dentro do conto, ou buscaba un xenérico demasiado común, como o subtítulo [e outros contos de bestas e auga]. 'Axolote' era fácil de pronunciar e tiña ese punto exótico, particular. Moita xente non sabe o que é. Ao tirar por aí decidín que o primeiro relato tiña que ser ese. Mais, se te fixas, o conto titúlase coa palabra náhuatl. Os animais teñen ademais unha presenza moi destacada ao longo dos relatos. Que visión da animalidade se traslada? Como é a relación entre eles e o ser humano? Neste libro, en concreto, está moi mesturado. Cando me preguntan polas bestas do libro, sempre digo que a maior parte non son animais, senón persoas. Hai moita besta humana. Quero dicir con isto que me sirvo dos animais para retratar os humanos, pero non porque considere que nunha escala os primeiros están por debaixo e os segundos por enriba. "Cando me preguntan polas bestas do libro, sempre digo que a maior parte non son animais, senón persoas" Eu transito máis pola vía de que os seres humanos son animais incrustados nun medio natural, que está esnaquizando, pero son un ser máis. Neste caso emprego os animais para retratar a bestialidade dos seres humanos, en moitas ocasións. Aínda que os humanos son protagonistas, claro. Eu son humana a fin de contas. Con que outros proxectos anda a voltas? Pois estamos cunha colección coa coordinadora galega de ONG para o Desenvolvemento, de libros para traballar na aula con adolescentes. Son tres volumes, que se poden atopar na web da entidade. É un proxecto co apoio da Deputación de Pontevedra. Os libros non se venden, danse de balde a institutos e profesorado. É unha ferramenta interesante, que se titula Defensoras de Dereitos.
NOS_29674
O Navea é un dos tres ríos galegos na conca do Miño-Sil escollidos como Reserva Natural Fluvial. Na demarcación hidrográfica de Augas de Galicia existen outras trece. 16 ríos logo sumamos baixo esta categoría para Galiza.
O Plano Hidrolóxico Nacional, icluíu no marco xurídico español o estabelecemento de reservas hidrolóxicas por motivos ambientais. Vén sendo a creación dun inventario de ríos que sexan unha escolma dos mellores conservados dentro da súa categoría. Así, se tiveramos que facernos unha idea dun río da montaña silícea exemplar, teriamos que pensar no río Navea polo que hoxe imos camiñar. Ese conxunto de ríos denomínanse Reservas Naturais Fluviais, que a literatura administrativa define como "aqueles cauces ou treitos de cauces, de correntes naturais, continuas ou discontinuas, nos que, tendo características de representatividade, as presións e impactos producidos como consecuencia da actividade humana, non alteraron o estado natural que motivou a súa declaración ". En resumo, un río ideal. O Navea é un dos tres ríos galegos na conca do Miño-Sil escollidos como Reserva Natural Fluvial. Na demarcación hidrográfica de Augas de Galicia existen outras trece. 16 ríos logo sumamos baixo esta categoría para Galiza. A Reserva Natural Fluvial do Navea está formada por dúas canles principais: o río Navea e o seu afluente o río das Casas. Nace o Navea no Alto de Gancedo, en Laza, e deita as súas augas no río Bibei logo de 41 quilómetros. Certamente deberiamos aclarar que, como sucede noutros moitos lugares do país, ten tamén este río varios nomes. Desde o seu nacemento até Edreira leva o nome desta aldea da montaña (río Edreira) e augas abaixo desta até o encoro de Chandrexa de Queixa colle o nome de río Queixa. Logo do encoro até chegar ao río Bibei é cando pasa a chamarse río Navea. Por tanto, aínda que a Reserva Natural Fluvial leva o nome de Navea, en realidade o roteiro facémolo polo río Queixa. Alén, da súa morfoloxía fluvial única, un val confinado e sinuoso, no referente á flora de ribeira destaca o hábitat de interese comunitario (91E0), Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior. E certamente, ameneiros e freixos están ben representado nos treitos da reserva. Amais destas especies é fácil atopar bídalos, cancereixos e acivros nas marxes que producen moitos froitos que serven de alimento á multitude de animais nos duros invernos do Macizo Central Ourensán. Á reserva está asociada unha fauna específicamente vinculada ao ecosistema de ribera, destacando a toupa de río (Galemys pyrenaicus), en perigo de extinción e ligada a hábitats fluviais ben conservados. Atópanse tamén a lontra (Lutra lutra) e especies pertencentes a outros grupos, como o merlo rieiro (Cinclus cinclus). Pero ao longo do camiño podemos observar unha grande diversidade de animais que inclúen insectos, como libeliñas ou bolboretas, e unha chea de réptiles aproveitando o sol. Moitos deles compartirán con nós o camiño pola beira do río. Os vieiros do Marío de Langullo A Reserva Natural Fluvial, é un percurso lineal duns 15 quilómetros. No seguinte código QR pódese descargar o mapa da mesma. Recomendamos dispor dun día completo para facer o roteiro, levando algo para xantar ao chegar a Edreira e logo desfacer o camiño. O roteiro comeza na "cola" do encoro de Chandexa de Queixa, collendo a pista que sobe da ponte, onde xa un panel nos índica o itinerario. Dende alí partimos, se ben outra opción, se imos en coche e a pista o permite, é avanzar até a área fluvial de Santa Cruz e saír desde alí. Boa parte do camiño farémolo pola pista que vai paralela ao río e que nalgún momento se eleva lixeiramente, permitindo observar o río desde o alto, e mesmo o seu leito, xa que as augas son ben transparentes. A uns tres quilómetros aproximadamente, atopamos A Ferrería, neste punto podemos gozar dun teixo (Taxus baccata), cun porte ben xeitoso, tendo en conta o devagar co que estas árbores medran. Temos aí que coller á esquerda e cruzar a ponte e seguir pola pista, ascendendo até coller novamente certa altura que nos permitirá ter unha boa perspectiva do río e dos montes polos que discorre. Seguiremos este vieiro uns tres quilómetros até voltar á beira do río, e logo doutros tres camiñando ao pé do Navea, chegamos a Edreira. Ao pasar as poucas construcións que hai, atoparemos o río das Casas á esquerda. A Reserva Fluvial do Navea é máis longa, pero este é o punto que recomendamos para dar facer parada, descansar e gozar dun río de montaña. Despois de deleitarse co lugar haberá que desandar o camiño. Outra alternativa de roteiro ben interesante é na Ferrería continuar a ruta até Teixedo, subindo pola corga de Torneiros. Aínda que esta opción non forma parte da Reserva Natural Fluvial, non desmerece un río escénico. Ao contrario, diriamos que aínda o mellora xa que neste caso non hai pista nin grandes camiños, aquí a ruta sen sinalizar vai entre sendeiros, carballeiras, prados e bosque de ribeira. Se decidimos coller esa variante, na Ferrería teremos que seguir o camiño que está por enriba do teixo e levar o río sempre á esquerda. Subiremos até atopármonos na aldea abandonada de Teixedo. Unha vez alí, a sensación de soidade, illamento e tranquilidade, non será fácil de esquecer e alén de paxaros, o vento ou o ladrido do corzo, e o son do río non escoitaremos máis nada. E tal é a incomunicación, que na Edreira viviron durante unha boa tempada guerrilleiros antifranquistas, entre os que estaba Mario Rodríguez Losada "o Pinche" ou Mario de Langullo e a súa cuadrilla. Alí en Teixedo é doado caer na conta do acaído que sería ese lugar para non ser atopado. Sexa cal sexa a opción de ruta que escollamos, estamos ante un río único no corazón dun territorio incomparábel de Galiza, o Macizo Central Ourensán; territorio dos últimos guerrilleiros antifranquistas e agora do lobo, a aguia real e dende hai pouco, do oso pardo.
NOS_30923
Miles ateigan a praza da Quintana.
"Que queiran que non, Galiza é unha nación" e "Galiza ceibe, poder popular" atronan xa as rúas de Compostela, con miles de persoas a marchar na convocatoria do BNG sob a lenda de Galiza Viva! Soberanía e traballo. Por volta de 20 minutos após do comezo da marcha, xa os primeiros continxentes alcanzaban a Praza da Quintana, en tanto que miles de persoas saían aínda da Alameda. Arredor das 13 horas, e após actuacións musicais e a engrazada apresentación de Isabel Risco, todo está pronto para que dea comezo as intervencións políticas, ás que porá o ramo a candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón. A líder do formación soberanista comezou o seu discurso arredor das 13.30 horas cun vibrante alegado a prol da vixencia do ideario político do nacionalismo galego en xeral e da virtualidade do BNG como ferramenta en particular. "Seguimos construíndo nación, aquí estamos en pé", arengou. A Praza en pé a entoar o himno nacional galego puxo o ramo a esta masiva mobilización nacionalista por volta das 14 horas.
NOS_20544
O Deportivo perdeu a ocasión de confirmar a permanencia en Primeira División no Sadar (2-2), onde non logrou superar o fechacancelas e onde amosou os seus defectos habituais.
Era unha ocasión inmellorábel para confirmar a permanencia na máxima categoría da Liga, mais o Deportivo non foi quen de superar o Osasuna e trouxo para A Coruña tan só un punto do empate. Os coruñeses sitúanse agora a oito puntos sobre a zona de descenso que marca o Sporting de Gijón a falta de tres xornadas de competición. Foi o conxunto local, que certificaron o descenso entre semana e que contaba con 11 baixas, quen abriu o marcador no minuto 4 grazas a un gol do colombiano Steven Mondragón. O Dépor non tardou en reaccionar e no minuto 17 Guilherme meteu o esférico de cabeza ao fondo das mallas locais. Cando se aproximaba o descanso, o Deportivo gozou dunha oportunidade cunha vaselina de Juanfran que bateu no pau. Xa no minuto 70 os de Pepe Mel viron premiada a súa insistencia cando de novo Guilherme marcou o segundo gol após a asistencia de Albentosa. O 1-2 dáballe aos coruñeses a salvación matemática, que só lle durou 8 minutos. Tras un córner, Oier intentouno no primeiro pau e no segundo Juanfran introduciu o esférico en propia porta cando trataba de evitar o remate de Sergio León. No minuto 90, Fernando Navarro sacaba sobre a mesma liña de gol un balón que Kenan Kodro rematou desde o chan, cun Lux xa superado. A próxima oportunidade do Deportivo será en Riazor, o próximo domingo, fronte ao Espanyol. O descontento da afección co equipo coruñés segue a comprobarse nas redes sociais. Os Riazor Blues escribían en Twitter "As ratas son as primeiras en abandonar o barco. Xogadores Mercenarios!" e reclamaban "limpeza total no clube xa". CA Osasuna: Sirigu, Aitor Buñuel (Javier Flaño, min. 77), Oier, Steven Mondragón, Fuentes (Álex Berenguer, min. 23), Clerc, Fausto Tienza (De las Cuevas, min. 77), Čaušić, Roberto Torres, Kenan Kodro e Sergio León. RC Deportivo: Lux, Juanfran, Albentosa, Arribas, Fernando Navarro, Guilherme, Borges, Bruno Gama (Ola John, min. 62), Emre Çolak (Carles Gil, min. 78), Luisinho (Marlos Moreno, min. 88) e Andone. Goles: 1-0 Steven Mondragón (min. 4); 1-1 Guilherme (min. 18); 1-2 Guilherme (min. 70); 2-2 Juanfran, en propia meta (min. 78). Árbitro: Hernández Hernández (c. Las Palmas). Tarxeta amarela a Guilherme (min. 2), Aitor Buñuel (min. 13), Oier (min. 17), Albentosa (min. 75) e Arribas (min. 90+2).
NOS_3841
A central sindical nacionalista rexistou a proposta na que reclaman medidas para "garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética".
A Confederación Intersindical Galega (CIG) rexistrou no Parlamento esta terza feira (19 de maio) unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) na que propoñen a creación dunha tarifa eléctrica galega. Unha cuestión que, explicou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, responde ao carácter "estratéxico" do sector para un país como o galego que exporta "arredor do 40%" da electricidade que produce. Porén, malia estas cifras, Galiza non se ve compensada en termos económicos e ambientais, denuncian desde a central sindical. Neste senso, salientou Seixo, "que sexamos produtores ten unhas repercusión negativas do punto de vista social e medioambiental porque detrás da produción temos vales fértiles asolagados, desprazamento de poboación e contaminación derivada da actividade das centrais térmicas". "Que sexamos produtores ten unhas repercusión negativas do punto de vista social e medioambiental" Fronte á pobreza enerxética Para a CIG, é preciso que desde o goberno galego se impulsen medidas compensatorias que, dunha banda, abaraten o custo da enerxía facilitando "a instalación de industrias no noso país" ao tempo que garanta "o acceso da poboación a este ben básico". Neste senso, Seixo lembrou que "nestes momentos, e como consecuencia da crise económica, hai unha parte importante da poboación, en torno a un 18%, que está en situación de pobreza enerxética e ten moitas dificultades para pagar enerxía sobre todo nos meses de inverno". Fronte á tarifa única fixada polo Estado español, desde a CIG reclaman unha tarifa diferencial para Galiza como xa existe noutros territorios desde 2013, como Euskadi. "O lóxico sería, polo tanto, que sendo produtores e excedentarios os galegos e galegas puidésemos gozar dunha tarifa eléctrica máis baixa", sinalou.
PRAZA_11503
A Audiencia Provincial da Coruña considera o membro da CIG culpable dun delito de atentado contra axente da autoridade con agravante de reincidencia e absolve o policía acusado de tortura e lesións.
A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou o que en outubro de 2012 era secretario comarcal da CIG en Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, a seis meses de prisión por agredir un axente da Policía Nacional durante unha protesta diante dun hotel de Ferrol no que o PP realizaba un acto de campaña electoral. A Audiencia Provincial considera a López Pintos culpable dun delito de atentado contra axente da autoridade con agravante de reincidenciaO tribunal, segundo informa o TSXG, considerouno culpable dun delito de atentado contra axente da autoridade, concorrendo a agravante de reincidencia e a atenuante de dilacións indebidas. Ademais, a Audiencia impúxolle o pago de 840 euros ao axente e absolveuno das faltas de coaccións e lesións que lle imputaban. Respecto ao funcionario do 091, os maxistrados decretaron a súa absolución dos delitos de tortura, contra a integridade moral e lesións polos que foi acusado.Os xuíces relatan na sentenza que cando se produciu un enfrontamento entre uns manifestantes e os axentes que formaban parte do cordón policial, o acusado "agarrou cunha man un dos policías da camisa e, coa outra, golpeouno varias veces no casco". A Audiencia sinala que o axente "tentou suxeitalo para metelo detrás do cordón policial e reducilo, pero non foi capaz, porque o acusado tentaba evitalo fisicamente, ata que un compañeiro que se atopaba ao seu lado o axudou".Os xuíces decretaron a absolución do axente policial dos delitos de tortura, contra a integridade e lesións polos que fora acusado"As testemuñas que declaran por instancia do acusado poden desde un plano teórico reforzar a súa versión, en canto á actitude pacífica dos manifestantes, á violenta dos policías, á procura do detido, á malleira sádica. Pero o problema é que estas declaracións non é que non concorden, senón que quedan desvirtuadas polos elementos de proba máis obxectivos", recalca a Audiencia, quen considera probado que se produciu "unha agresión, unha acometida, a un axente da autoridade cando desempeñaba a súa función, protexer a evacuación duns cargos públicos, nunhas condicións que en absoluto permiten pensar nunha menor entidade nin no ánimo defensivo".O 4 de outubro do ano 2012 traballadores de Navantia e de Poligal manifestáronse en Ferrol en demanda de carga de traballo para o estaleiro e esixindo tamén "claridade" sobre os contratos prometidos por Núñez Feijóo. Era o inicio da campaña das eleccións autonómicas e o Partido Popular realizou a súa pegada de carteis na Praza de Amboaxe. Os traballadores dirixiron alí a súa mobilización, consistente nunha sonora cazolada, o que obrigou os populares -escoltados pola policía- a mudar o acto cara o interior do Hotel Almirante, onde tamén recibiron as protestas. Pasadas as doce da noite chegaron os antidisturbios, que cargaron contra os 300 traballadores concentrados. Entre eles estaba Xesús Anxo López Pintos, daquela secretario comarcal da CIG en Ferrol, que resultou ferido na carga policial e que despois foi trasladado á comisaría, onde denunciou ter recibido malos tratos. Porén, López Pintos foi denunciado por agredir un dos axentes, en concreto por por "agarrar pola roupa un policia e pegarlle no casco". Agora, na sentenza, os maxistrados recoñecen que os feitos protagonizados, "illadamente considerados, non pode dicirse que resultasen especialmente graves para a integridade física dese axente" aínda que aclara que iso "non é o determinante para a cualificación". Así, o ditame advirte de que se produciu "unha agresión, un acometemento, a un axente da autoridade". No xuízo, entre as declaracións das testemuñas incluíronse as de varios cargos do PP como o actual secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, que asegurou sobre aquela noite que todos temeran pola súa "integridade física". Tamén José Manuel Rey Varela, ex-alcalde ferrolán, e o deputado Diego Calvo deron a súa visión dos altercados no xuízo e todos eles negaron ter presenciado algunha agresión policial a López Pintos. A CIG cre que a sentenza "é unha aberración"Desde a CIG aseguran estar "ante unha montaxe que non buscaba facer xustiza senón condenar o sindicalista ferrolán". O sindicato nacionalista "non comparte nin o razoamento nin o ditame da sentenza e adoptará as medidas e accións que sexan necesarias na defensa do compañeiro Pintos"."Isto parécenos unha auténtica aberración nun Estado que se quere denominar de Dereito", di a CIGCon todo, a CIG destaca que "fronte ás pretensións da Fiscalía e da acusación particular (que pedían penas moito máis elevadas)", a sentenza "absolve o compañeiro pola falta de lesións e coaccións que tamén se lle querían imputar".Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, "resulta inconcibíbel que se condene a Pintos, cando el foi o agredido pola policía, tanto durante as cargas (tal e como quedou acreditado nas probas presentadas no xuízo) como despois, mentres permanecía detido e incomunicado na comisaría".A este respecto lamentou que mentres se condena a Pintos por delito de atentado "queden na máis absoluta impunidade os feitos protagonizados polo policía. Isto parécenos unha auténtica aberración nun Estado que se quere denominar de Dereito".
PRAZA_20864
O Sergas suma 1.190 novos positivos da COVID-19, máximo da serie histórica por segunda xornada consecutiva. A incidencia acumulada a 14 días aumenta a ritmo elevado en todas as áreas sanitarias e para o conxunto de Galicia está a piques de superar o pico da vaga do outono. A positividade media das PCR xa é superior á daquela e as 545 persoas hospitalizadas con test positivo son 126 máis que hai apenas unha semana
Cifras de récord cun empeoramento notablemente máis veloz ao do único episodio comparable, o do pasado outono. O Servizo Galego de Saúde suma este 14 de xaneiro 1.190 novos casos do coronavirus, os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores; deles, 1.025 son diagnósticos mediante PCR. Esta cifra supón bater o propio récord por segundo día consecutivo e só vinte e catro horas despois de sumar máis de mil casos nunha xornada por primeira vez.O Sergas suma 1.190 novos positivos da COVID-19, o que supón acadar o máximo da serie histórica por segunda xornada consecutivaMentres que a comparación coa situación de marzo e abril de 2020 resulta arriscada -daquela, a capacidade de diagnóstico era moi inferior á actual-, o paralelismo co pasado outono si é pertinente e a conclusión é desalentadora. Dende os últimos días do pasado ano, o empeoramento é claro e xeneralizado e a media diaria de novos diagnósticos da última semana disparouse rapidamente ata chegar a un novo máximo dende o inicio da pandemia: máis de 720 casos ao día, cos datos do último día completo dispoñible, o 12 de xaneiro.A evolución dos novos casos detectados tamén é de récord en termos de días naturais (das 00:00 ás 23:59 de cada día). O 12 de xaneiro, Galicia traspasou por primeira vez o limiar dos mil casos nun día (1.141) e tamén rexistrou por vez primeira máis de mil diagnósticos mediante PCR (1.021).A incidencia acumulada a 14 días aumenta a ritmo elevado en todas as áreas sanitarias e para o conxunto de Galicia está a piques de superar o pico da vaga do outono Ás portas da aplicación do novo paquete de restricións por parte da Xunta, os ecos dos encontros do Nadal, Noitevella e Reis -en cuxos días clave estivo permitido traspasar os peches perimetrais para celebrar encontros familiares- xa se perciben con crueza nos datos de incidencia acumulada (casos novos detectados por cada 100.000 habitantes). Cos datos pechados a día 12 -último completo dispoñible-, este indicador xa supera os 334 casos para o conxunto de Galicia e, previsiblemente, este venres igualará ou mesmo superará oficialmente o máximo acadado no outono (342). A diferenza de outubro e novembro, cando o ritmo de empeoramento era dispara entre áreas sanitarias, desta volta os incrementos son igualmente pronunciados en todas elas.Mentres isto sucede, Sanidade segue comunicando falecementos de persoas que contraeran o coronavirus. Este 14 de xaneiro incorpora ao rexistro oficial outras 6 mortes (tres delas, das últimas vinte e catro horas) ata chegar a un total de 1.480. [A Xunta pecha 63 concellos pola nova vaga da COVID, adianta o toque de queda e restrinxe máis a hostalería]A incidencia segue disparada en Santiago, coa máis elevada das cidadesOs concellos sen novos casos rexistrados nas últimas dúas semanas son xa menos de medio centoComo amosa o mapa baixo estas liñas, aínda que o empeoramento é xeneralizado, seguen existindo notables diferenzas territoriais en canto á incidencia acumulada do virus a 14 días. Cando só resta algo menos de medio cento de concellos sen novos casos nas últimas dúas semanas (en decembro chegaron a roldar o centenar), a provincia da Coruña é a que presenta maiores incidencias no conxunto do seu territorio. Dentro dela, destacan concellos da Costa da Morte, de Santiago e da súa contorna e tamén no Ortegal, os municipios lindeiros con concellos da Mariña con incidencias moi elevadas.No sur, os municipios do Baixo Miño chegan a triplicar a incidencia media de Galicia a 14 días. O mesmo sucede, mesmo con máis intensidade, en concellos suroccidentais da provincia de Ourense. Neste sentido, a Xunta vén poñendo o foco no contacto con concellos do norte de Portugal onde a situación epidemiolóxica é tamén moi desfavorable.Por cidades, como amosa o gráfico sobre estas liñas, a peor incidencia acumulada a 14 días continúa sendo a de Santiago non só por ser a máis elevada, xa por riba dos 400 casos por cada 100.000 habitantes en dúas semanas, senón tamén porque, tras unhas xornadas de certo acougo, volve dispararse con forza. A tendencia á alza é tamén clara no resto de cidades, aínda que a intensidade en Ourense, A Coruña e Ferrol é moito máis alta que en Vigo e Pontevedra. Lugo, pola súa banda, segue combinando lixeiras alzas con lixeiras baixadas e, con 119 casos por cada 100.000 habitantes, mantén a incidencia máis baixa da Galicia urbana.Positividade media máis elevada e presión hospitalaria máis aceleradaAs 10.752 PCR procesadas nas últimas vinte e catro horas son outro máximo e a positividade media evoluciona peor que no outonoEste elevado afloramento de novos casos do coronavirus prodúcese nuns días nos que o ritmo de realización de probas PCR volve ser notablemente elevado. Os 10.752 test procesados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores supoñen un novo récord nunha xornada (de seis a seis da tarde) e a media diaria da última semana vai camiño de igualar e mesmo superar os máis de 8.000 test por día acadados antes do Nadal, en semanas marcadas por numerosos cribados poboacionais.Non obstante, prodúcese unha significativa diferenza a respecto de decembro. Mentres que daquela, a realización dos cribados contribuía a baixar as taxas de positividade (porcentaxe de PCR que dan negativo), agora ese indicador elévase dun xeito rápido e constante. Ata o punto de que, en termos de positividade media da última semana, o 9,13% que agora se rexistra é xa a máis elevada dos dous períodos comparables, o pasado outono e finais do verán.Como amosa o gráfico sobre estas liñas, as taxas de positividade da primeira vaga eran moito máis elevadas tanto para o conxunto de Galicia como en todas as áreas sanitarias. Non obstante, a situación non é equipable mecanicamente porque daquela, o día con máis probas PCR apenas superou 3.700 e na actualidade, a media a sete días xa supera as 7.000, con días rozando as 10.000.As 545 persoas hospitalizadas con test positivo son 126 máis que hai apenas unha semanaComo adoito, o empeoramento xeral bate tamén nos hospitais. Aínda que desta volta faino tamén cun ritmo máis veloz que en anteriores ocasións. As persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 son agora 545, o que supón 34 máis que un día antes. Delas, 82 están na UCI (+9) e 463 (+25) en unidades de hospitalización ordinaria.Hai apenas unha semana, o número de persoas hospitalizadas era de 126 menos. Daquela, nas UCI galegas rexistrábanse 25 persoas menos con test positivo do coronavirus que na actualidade. No anterior pico de hospitalización, o pasado outono, chegou a haber 611 persoas ingresadas ao mesmo tempo con test positivo do coronavirus.Malia a que algunhas áreas sanitarias aínda rexistran menos hospitalizacións de pacientes coa COVID-19 que as que rexistraban cando, o 11 de novembro, Galicia tocou o teito de ingresos daquela vaga, outras xa superan os niveis daqueles días. É o caso das áreas da Coruña, Santiago e Ferrol.A carga de traballo aumenta nos hospitais e tamén na Atención Primaria a efectos de detección e seguimento de casos. Non en van, en plena campaña de vacinación, o número de casos considerados como "positivos activos" vén de superar o limiar dos 10.000, cun total de 10.215 que supón estar a piques de igualar os 10.276 que, o pasado 7 de novembro, marcaron o que ata agora era o máximo histórico en Galicia.
PRAZA_5736
A Gran Loxa de España, coa presenza do seu Gran Mestre, Óscar de Alfonso Ortega, celebrou en Santiago de Compostela a Festa da Orde, que rota anualmente por diferentes cidades españolas.
Na cidade da Coruña, en maio de 1814, a primeira loxa masónica da historia de Galicia, a Logia Constitucional de la Reunión Española, solicitará a súa regularización ao Gran Oriente de Francia. Esta loxa acollía o máis granado do liberalismo coruñés, e a militares progresistas. O seu Venerable Mestre, o naturalista Pedro Alejandro Auber (pai da escritora Virginia Felicia Auber), sería co tempo director do Xardín Botánico da Habana. Na cidade da Coruña, en maio de 1814, a primeira loxa masónica da historia de Galicia, a Logia Constitucional de la Reunión Española, solicitará a súa regularización ao Gran Oriente de Francia Dous séculos despois, coincidindo, casualmente, con esta efeméride, a obediencia masónica maioritaria de España, a Gran Loxa de España, coa presenza do seu Gran Mestre, Óscar de Alfonso Ortega, celebrou en Santiago de Compostela a Festa da Orde, que rota anualmente por diferentes cidades españolas. Mesas redondas, conferencias ou visitas ao patrimonio monumental configuraron un programa no que participaron persoas procedentes de toda a xeografìa española. Mais…, que é a francmasonería? Unha sintética e axustada definición dinos que se caracteriza por ser unha institución universal, filosófica, filantrópica e progresiva que tenta inculcar aos seus membros o amor á verdade, o estudo da moral universal, da ciencia e ás artes. Tende a extinguir os odios de raza, de nacionalidade, de opinións, de crenzas e de intereses, procurando establecer nos seres humanos lazos de solidariedade e tolerancia. Son estes valores os que, dende a súa fundación hai dous séculos, a francmasonería galega tentou proxectar na nosa terra, na medida das súas posibilidades, os valores e ideais da Fraternidade, antes citados, en ámbitos políticos, sociais, culturais e educativos. A Gran Loxa de España, coa presenza do seu Gran Mestre, Óscar de Alfonso Ortega, celebrou en Santiago de Compostela a Festa da Orde, que rota anualmente por diferentes cidades españolas Os asuntos educativos interesaron moito a Antonio Romero Ortiz, ministro de Graza e Xustiza (impulsando medidas laicistas) e de Ultramar, membro da Real Academia da Historia, presidente da Asociación de Escritores e Artistas Españois; a Manuel Becerra Bermúdez, ministro de Ultramar, que promoveu iniciativas parlamentarias para unha ensinanza obrigatoria e gratuíta, e para ambos sexos; a Augusto Milón, secretario da Universidade de Santiago e director de El Magisterio Gallego (Santiago) ou a Manuel López Navalón, director do Colexio Rexional de Xordomudos e Cegos de Santiago, un referente en Europa, e que editou en Santiago a primeira edición en castelán dunha novela do seu probable amigo Jules Verne, El soberbio Orinoco. Tamén moitos masóns galegos vencelláronse coa Institución Libre de Ensinanza Tamén moitos masóns galegos vencelláronse coa Institución Libre de Ensinanza: serían os casos de Eduardo Vincenti Reguera, Director Xeral de Instrución Pública, director do Boletín de la Liga Protectora de la Educación Nacional, impulsor de varios Congresos pedagóxicos y autor de Política Pedagógica; Maximino Teijeiro Fernández, catedrático de Medicina e reitor da Universidade de Santiago, presidente da Sociedade Económica de Amigos do País desa cidade; Segundo Moreno Barcia, catedrático e director da Escola de Comercio da Coruña; o filósofo krausista Juan Sieiro González, catedrático e director do Instituto de Ourense, socio fundador da Academia de Xurisprudencia desa ciudad e autor de varios libros, Telesforo Ojea Somoza, ou o que foi durante un tiempo decano dos masóns españois, Juan Montero Telinge, alcalde da Coruña, un dos líderes galegos da Revolución de 1868, deputado, senador, accionista da ILE. Se descendemos ao ámbito local, encontrámonos coas Escolas Laicas. En 1870 presentaba en Ferrol os seus estatutos a Asociación Filial de Libres Pensadores, que funcionou ata 1887. En 1888, promovida pola Sociedade de Librepensadores Martín Lutero, fúndase a primeira Escola Laica de Galicia, na que é figura destacada Pedro Maristany Maristany, que presidirá un Congreso Pedagóxico en 1904, ou Lino Yrigoyen Uriarte, presidente desa Sociedade. En 1890 sae da imprenta La Verdad, periódico librepensador. E queda o caso da Escola Racionalista de Ferrol, que dirixía o anarquista Francisco Iturralde: o título necesario para poder abrir legalmente o centro púxoo Matías Usero Rey-Torrente, ex sacerdote capuchino secularizado, asasinado en 1936, escritor e duro polemista contra o autor antimasónico Padre Tusquets. Tamén foi mestre desta escola Alonso Alonso Alonso. Na cidade da Coruña fúndase en 1882 o Centro Democrático, auspiciado polos demócratas progresistas (varios deles masóns): entre os seus obxetivos estaba o establecemento de escolas de ensino laico. Pero o primeiro centro destas características abrirá as súas portas en xuño de 1889, dependendo da Asociación Benéfica Miguel Servet, vencellada á loxa Progreso nº 39. Uns anos máis tarde, en 1897, fúndase a Escola Laica sostida pola Antorcha Galaica do Libre Pensamento, coa que colabora Moreno Barcia, sendo un dos seus profesores o escritor e xornalista Carlos Pol Caamaño. Exemplo de libre pensador ata a súa derradeira hora foi Federico Tapia Segade, alcalde da Coruña, activo revolucionario en 1868, asinante do Pacto Republicano Galaico-Astur, que se negou a recibir curas nin auxilio da Igrexa no seu leito de morte, sendo o seu enterro civil multitudinario. Hai masóns tamén colaborando coa Universidade Popular. E xa na IIª República, en 1931, nace a Asociación Rexional de Pais de Familia para a defensa do Laicismo no Ensino, con varios directivos masóns: Alfredo Somoza Gutiérrez, deputado a Cortes por Esquerda Republicana, Fernando Osorio do Campo, Arturo Taracido Veira e Nicolás Míguez y Míguez. En Ourense, Juan Manuel Amor Pereira, revolucionario de 1868, director da Biblioteca Pública de Ourense, cofundará, coa Sociedade de Librepensadores de Ourense, a Escola Laica Neutral, sendo o seu primeiro director. Na IIª República esta Escola estaba financiada e rexida, en boa medida, pola loxa Constancia nº 13. Na IIª República, en 1931, nace a Asociación Rexional de Pais de Familia para a defensa do Laicismo no Ensino, con varios directivos masóns Na cidade de Pontevedra funciona xa en 1899 a Escola Moderna, sendo un dos seus mestres o futuro deputado, embaixador e presidente do Centro Galego de Barcelona José Juncal Verdulla. En 1903 aparece unha Escola Laica dirixida polo médico, quizais francmasón, Celestino Poza Cobas, financiada polo Partido Republicano. A finais dos anos 20 estableceuse a Escola Nova, que dirixía Hernán Poza Juncal, en cuxa familia había destacados masóns. En Vigo, cos precedentes dun círculo libre pensador en 1885, fundarase a finais de 1891 a Sociedade de Libre pensadores Miguel Servet, que probablemente apoiou o funcionamento da Escola Laica, rexida polo xornalista Ricardo Miser y Viriato. No Rosal existiu a Sociedade de Libre Pensadores da Guarda e do Rosal, impulsada polo médico Gabriel Serafín Salgado de Guevara. Destacarán tamén as figuras de varios inspectores de 1º Ensinanza, entre elas a de Manuel Díaz Rozas, inspector xefe da provincia da Coruña, na que puxo en marcha, en 1932, as Misións Pedagóxicas, foi fundador da Sociedade Paidolóxica Galega e da Sociedade Vangarda Pedagóxica, director da Sección de Pedagoxía do Seminario de Estudos Galegos, entidade á que estiveron vencellados outros francmasóns. No ámbito cultural, a institución máis representativa historicamente da cultura galega, a Real Academia Galega, nace en boa medida grazas á iniciativa das figuras do gran poeta cívico de Galicia, Manuel Curros Enríquez e de José Fontenla Leal, que promoven en Cuba, en 1905, a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega; Fontenla Leal foi o gran impulsor do Himno Galego. Da Comisión preparatoria da Academia (será tamén proposto como académico de número) formará parte o filósofo Víctor Said Armesto, -membro igualmente do pioneiro coro Aires da Terra-. Entre os fundadores encontramos figuras como o historiador Arturo Vázquez Núñez, o escritor e editor Eugenio Carré Aldao, primeiro secretario da institución, ou o escritor Manuel Lugrís Freire, presidente en 1934. En Arxentina, foron académicos correspondentes o xornalista Manuel Castro López, o polígrafo BenignoTeijeiro Martínez e Martín Echegaray Olañeta. En Murcia, o militar e editor ferrolano Nicolás Fort Roldán. No ámbito da Literatura, a Historia, a edición ou a ciencia, chegaría, ademais de algúns xa mencionados, citarmos nomes como os do médico Manuel Leiras Pulpeiro, Emilio González López, Jesús San Luis Romero, Benito Losada Astray, Ánxel Casal Gosenje, Indalecio Armesto Cobián ou Arturo Cuadrado Moure; Braulio Félix Reino y Gómez, médico, catedrático da Universidade de Santiago, escritor de temas médicos; José Sánchez Villamarín, enxeñeiro, escritor, alcalde de Teo e de Santiago, vicepresidente da Sociedade Económica de Amigos do País, promotor do Centro de Iniciativas para a Nova Organización de Galicia; e o médico-farmacéutico Cesáreo Rivera Abraldes, alcalde de Ribadavia, asinante del Pacto Republicano Galaico-Astur, deputado e coautor dunha das primeiras Guías de Galicia (1883). No campo das Belas Artes, destacan Luís Seoane López, pintor, escritor, editor, un dos nomes fundamentais da cultura galega do século XX; o escenógrafo e artista gráfico Camilo Díaz Valiño, o pintor Pedro Vanderlacken, o pintor Silvio Fernández Rodríguez, José Moreno Moreno, director da Escola de Belas Artes da Coruña, e varios fotógrafos: Enrique Luard Falconier, autor do primeiro daguerrotipo na historia da fotografía en Galicia, en 1843; Ernesto Carrero Goyanes, que impulsará as primeiras proxeccións cinematográficas en Santiago en 1900, e Enrique Ferreiro Vello, probable autor dunha fotografía trucada de Pío IX vestido con atributos masónicos, moi celebrada en medios libre pensadores. Aínda que non era galego, na Coruña iniciou e desenvolveu a súa carreira masónica o célebre urbanista Arturo Soria. No ámbito da prensa, xa nos albores do século XIX encontrámonos coa figura do impresor e editor Sebastián de Iguereta, liberal comprometido, perseguido, procesado, membro da Sociedade Patriótica da Coruña. A masonería galaica tamén se dotará de órganos propios, como o Boletín de la Gran Logia Regional Galaica e, en Ferrol, de Voltaire, órgano da loxa Francisco Arouet de Voltaire nº 118, Paz y Concordia e El 11 de Febrero, probablemente inspirado por Unión Masónica nº 26. Masóns galegos fundan, dirixen e escriben, fundamentalmente, en xornais ou revistas de diversas orientacións republicanas e, en todo caso, liberais Respecto á colaboración na prensa, masóns galegos fundan, dirixen e escriben, fundamentalmente, en xornais ou revistas de diversas orientacións republicanas e, en todo caso, liberais: nomes como La República, La Democracia ou La Libertad, así como La Voz de Galicia, El Noroeste, El Pueblo Gallego ou El Correo Gallego. Por mencionar algúns, destacaremos a Antonio Prieto Puga, Marcelino Dafonte, José Lombardero Franco, Francisco Suárez García, César Alvajar Diéguez, Laureano Santiso Girón, Santiago de la Iglesia Santos ou Luis A. Mestre Hernández… Os masóns socialistas impulsan o nacimento de El Obrero, La Voz del Obrero e El Bien del Obrero (os tres en Ferrol): son figuras como Francisco Fernández García, fundador da primeira agrupación socialista creada en Galicia, en Ferrol, Antonio Bello Paz ou Marcial J. Fernández. Na cidade da Coruña, Domingo Quiroga. Son tamén abondosas as colaboracións na prensa cultural, mesmo nacionalista ou galeguista, tanto en Galicia como en América (Cuba, Arxentina, Uruguai...), ou en revistas de carácter satírico, nas que se criticaban os vicios da sociedade. Algúns participan na fundación das Asociacións da Prensa da Coruña e Vigo. No campo da política, están presentes en movementos de carácter liberal e republicano dende os albores do XIX No campo da política, están presentes en movementos de carácter liberal e republicano dende os albores do XIX: o levantamento de Porlier (1815), o de Riego (1820), a Revolución galega de 1846, a de 1854, na Gloriosa (1868), na Iª República (1873), na IIª República…, así como en Solidariedade Galega, as Irmandades da Fala, o PSOE e o Partido Galeguista. É interesante destacar a relevancia de Manuel Portela Valladares, de ideoloxía liberal, editor e propietario de El Pueblo Gallego, deputado, gobernador civil de Barcelona, ministro, fiscal do Tribunal Supremo, gobernador xeral de Cataluña e Presidente do Gobierno na IIª República, morto no exilio francés; e Santiago Casares Quiroga, avogado, director de periódicos, deputado, ministro de Mariña, de Gobernación, de Obras Públicas e de Guerra e Presidente do Goberno na IIª República, tamén morto no exilio en Francia. Non faltaron tampouco os militares progresistas. Galegos de nación foron o mariscal de campo Antonio Quiroga y Hermida, que acompaña a Rafael del Riego en Cabezas de San Juan (1820); o xeneral Manuel Villacampa del Castillo, que participa na Revolución de 1868 e promove a sublevación republicana de 1886 organizada por Manuel Ruiz Zorrilla: condenado a morte, falece confinado en Melilla; o xeneral e político José Ramón Rodil y Campillo, ou Isidro Villarino del Villar, militar e xornalista que encabezou a asonada republicana de Navalmoral de la Mata de 1878. É interesante destacar a relevancia de Manuel Portela Valladares, de ideoloxía liberal, editor e propietario de El Pueblo Gallego, deputado e Presidente do Gobierno na IIª República Aínda que non eran galegos de nacemento, Galicia formou parte destacada da súa traxectoria: son casos como o de Luis Lacy y Gautier, Capitán Xeneral de Galicia, fusilado en Belver (Mallorca) en 1817; ou Juan Díaz Porlier, mariscal de campo, que se subleva na Coruña en 1815, apoiado por moitos masóns e liberais coruñeses: traizoado por membros da súa garda, será aforcado na cidade en outubro dese ano. No que respecta ao asociacionismo socio-cultural, en diversas cidades galegas deixaron os masóns a súa pegada. Na Coruña, na Tertulia do Café A Esperanza, na Reunión de Artesáns, Liceo Brigantino, Cociña Económica, Casino Republicano, Antorcha Galaica do Libre pensamento, Agrupación á Terceira República, Rotary Club, Xunta para a Propulsión e Progreso da Coruña…; en Pontevedra, no Grupo Teosófico Marco Aurelio, no Casino, no Recreo de Artesáns, no Centro Republicano; en Santiago, na Sociedade Económica de Amigos do País, no Centro Republicano e na Asociación de Escritores de Galicia; en Ferrol, no Ateneo Artístico, Científico e Literario, Centro Obreiro de Cultura e Beneficencia, Sociedade Coral Lírico-Dramática A Perla, Airiños da Miña Terra, Liga Antiduelista; en Lugo, no Comité de Cooperación Intelectual; en Betanzos, no Ateneo Obreiro, Centro Republicano Federal e Orfeón Eslava; en Sada, no Ateneo Cultural; en Culleredo, na Sociedade "Pro-Cultura" de Celas; en Vigo, no Centro Republicano; en Ourense, no Ateneo… Algunhas mulleres, como Hildegart Rodríguez (en Madrid) ou as emblemáticas Concepción Arenal ou Xoana de Vega, se non foron masonas, movéronse sempre neses círculos E no que respecta á Liga Española dos Dereitos do Home, na época da IIª República, será vogal na Xunta Reorganizadora, a nivel español, Gerardo Abad Conde, alcalde da Coruña, Presidente do Consello de Estado e ministro de Mariña, asasinado no cárcere de Porlier. E nos tres Comités provinciais fundados en Galicia hai maioría de masóns nas Directivas: en Ourense, da loxa Constancia nº 13; en Pontevedra, de Vicus nº 8, e na Coruña, de Pensamiento y Acción nº 11 da Coruña e un de Libredón nº 6 de Santiago. Quedaríanos revisar o labor dos masóns galegos en América, ou o papel xogado por algunhas mulleres, como Hildegart Rodríguez (en Madrid) ou as emblemáticas Concepción Arenal ou Xoana de Vega, que, se non foron masonas, movéronse sempre neses círculos: disto trataremos noutra ocasión. E quedaríanos tamén analizar os tempos democráticos contemporáneos, pero esta é unha historia que aínda se está a escribir.
NOS_53766
A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) apoia a proposta de afrontar a pandemia desde unha perspectiva de promoción da saúde e a participación comunitaria fronte as visións "hospitalocentristas".
Agamfec deu a coñecer esta terza feira o manifesto elaborado polo Observatorio de Salud Comunitaria y COVID-19, que ofrece propostas para cambiar o enfoque biomédico e "hospitalocentrista" co que se afronta actualmente a pandemia. A entidade galega, que poia e subscribe o documento, censura que a abordaxe da pandemia predominante sexa resultado "dun sistema sanitario centrado na enfermidade, cun enfoque que esquece a promoción da saúde e a participación comunitaria en saúde". Fronte a esta posición, salienta que existen outras formas complementarias de orientar as accións que serían eficaces para diminuír os contaxios e aplanar a curva, así como para atender mellor aos grupos máis vulnerábeis. "É necesario coñecer e entender os contextos de poboacións e territorios que determinan as súas condicións de vida", destaca. Así, a plataforma galega faise eco duunha serie de propostas, que pasan pola "visivilización dos invisíbeis", tendo en conta que as condicións de vida inflúen na desigual distribución do virus, e reclama asignación de recursos económicos, humanos e materiais potenciando os servizos públicos en función das necesidades, con especial atención aos colectivos vulnerábeis. Seguindo o manifesto, Agamfec reivindicación do papel da comunidade no aplanamento da curva, "integrando a mirada ao individual no seu contexto comunitario", e avoga por unha comunicación da pandemia "que fuxa da estigmatización que fomenta a culpa cara ao outro", tanto desde os organismos públicos como desde os medios de comunicación. A asociación chama tamén a reorientando o sistema sanitario cara á Atención Primaria "e reverter así a tendencia hospitalocentrista na asignación de orzamentos",adaptando a asignación de recursos humanos, materiais e económicos en función das necesidades e a complexidade de cada territorio. Cirurxía no Montecelo Por outra banda, o hospital Montecelo de Pontevedra recuperou onte a súa programación cirúrxica, afectada pola incidencia da Covid-19, pola necesidade de camas de hospitalización Covid-19, que obrigara a suspender a pasada semana tres quirófanos.
PRAZA_14229
A capital do Estado acolle unha manifestación que se prevé de "transcendencia histórica" e que está apoiada por sindicatos e numerosos movementes sociais. O 15M adhírese á protesta, aínda que de forma "crítica".
Madrid acolle este sábado unha protesta contra os recortes levados a cabo polo Goberno de Mariano Rajoy que se prevé "histórica" e na que participarán máis de 10.000 galegos, segundo aseguran CCOO e UGT de Galicia. Milleiros de cidadáns do país teñen confirmada xa a súa presenza na capital do Estado, á que se desprazarán nos autobuses organizados por Comisións, UGT, USO, CSIF e USTG, e na que se agarda unha resposta masiva contra as políticas do Executivo do PP. Organizada polas centrais maioritarias, a marcha do 15S contará tamén co apoio de numerosos colectivos sociais e políticos, incluído o 15M, que decidiu adherirse, aínda que como "Bloque Crítico" e apostando claramente por "unha mensaxe distinta" que aposta "pola folga xeral". Será unha marcha de "transcendencia histórica", segundo os secretarios xerais de CCOO e UGT, e na que se berrará alto e claro "contra as políticas de recortes do Goberno do PP, tanto no eido económico como no social, que están ocasionando unha fractura social sen precedentes en España". "Non existe ningún colectivo, nin ámbito da actividade social e cultural, que se libre das consecuencias destas políticas, agás os poderes económicos e as elites que os representan", censuran os sindicatos, que anuncian xa unha manifestación "histórica" que percorrerá as rúas de Madrid e que rematará na Praza de Colón. CCOO e UGT prevén unha marcha "de transcendencia histórica" e na que participarán todos os sectores sociais Xa este venres pola noite, serán centos os autocares que partan desde diversas localidades galegas para unirse en Madrid ás diferentes "mareas" que inundarán a capital e que serán incluso identificadas por cores, segundo o sector ao que representen. Cada unha delas sairá desde cadanseu ministerio responsable das políticas de recorte no seu sector. Así, as camisetas verdes corresponderanlles aos traballadores da educación, as brancas aos da sanidade, as laranxas aos dos servizos sociais e as negras aos da función pública. O punto de encontro dos manifestantes chegados de Galicia será a Praza do Doutor Marañón, ás 9.30 Todos estes grupos uniranse na Praza de Colón coas columnas que irán chegando desde as diferentes autonomías do Estado e que partirán desde diferentes puntos da capital española. No caso dos manifestantes galegos, o lugar de encontro será a Praza do Doutor Marañón, no medio da Castellana, a partir das 9.30 da mañá. A manifestación protestará contra os recortes e volverá pedir un referendo sobre as políticas de axuste Os sindicatos pretenden así protestar, pero tamén chamar a atención sobre unhas políticas económicas e uns recortes que están a afectar gravemente a todos os sectores da sociedade, sen distinción, e que están a provocar unha enorme fractura social como hai anos que non se coñecía no Estado español. De feito, a marcha pretende ser tamén a expresión dunha sociedade "farta de tanto atropelo a cambio de nada", a denuncia da "fraude democrática" que supoñen unhas políticas económicas gubernamentais "en clara contradición" co programa do PP, así como a petición -unha vez máis- dun referendo no que a sociedade poida opinar sobre os axustes que está a sufrir. "Estamos ante unha situación moi crítica, na que se produciu unha gran fractura social sen precedentes e continúa aumentando a destrución de emprego, estase devaluando o estado de benestar e, á súa vez, hai claros síntomas e expresións de involución ideolóxica e de prácticas autoritarias por parte do Goberno", denuncian os sindicatos, que advirten de que se está a "rachar" o consenso básico constitucional que xurdiu da transición española. CCOO e UGT lembran que o Executivo derrubou en tan só uns meses "toda a arquitectura do dereito laboral que se construíu na transición democrática" e que está "a facer máis difícil a existencia" para as persoas en paro, ademais de"empobrecer a vida da inmensa maioría da poboación asalariada e pensionista, mostrarse hostil coa inmigración, negarlle o presente e o futuro á mocidade ou non ter en consideración a investigación e a ciencia". "Camiñamos inexorablemente cara aos seis millóns de parados a finais de ano" Do mesmo xeito, e como máis argumentos para a protesta, os sindicatos denuncian que o Goberno do PP "abandona as persoas dependentes e as que as atenden; acantoa a cultura; deteriora os servizos públicos, a educación, a sanidade; exhibe unha vontade enfermiza de perseguir os sindicatos e colectivos de representación cidadá; obsesiónase co déficit e esquece o investimento público, a actividade económica e o emprego". Do mesmo xeito, entenden que se está tamén a "desentender da actividade económica, impoñendo unha política fiscal inxusta que aboca ao peche de milleiros de pequenas e medianas empresas". "En definitiva, camiña inexorablemente cara aos seis millóns de persoas en paro a finais de 2012", lembran.
NOS_20375
Como se dun territorio africano na era da colonización europea se tratase, grandes corporacións estanse a repartir os lugares máis privilexiados da xeografía galega para instalar uns parques eólicos que "aniquilan todo ao seu paso, independentemente do seu valor medioambiental, cultural ou paisaxístico". Enfronte están a atopar a oposición de plataformas cidadás como Stop Eólicos ou Salvemos O Iribio, que pretenden frear a "ambición desaforada" das eléctricas e os seus intentos de "engaiolar" as poboacións locais por "catro pesos". Eis un extracto da reportaxe publicada no número 362 do semanario en papel Sermos Galiza.
Riqueza, emprego, desenvolvemento… Son as verbas que máis se repiten nas declaracións e notas de prensa da Xunta de Galiza e de firmas como Green Capital Power ou Endesa no referente á proliferación de parques eólicos por toda a xeografía galega. Esta linguaxe curiosamente común entre empresas e administración galega responde ao intento de "xustificar" entre a sociedade a multiplicación destas instalacións desde que en outubro de 2017 se aprobase a Lei de Iniciativas Empresariais –coñecida como "Lei de Depredación"–, unha norma que conduciu a que só en 2019 a patronal enerxética estimase instalar na Galiza ao redor de 500 megavatios, máis do dobre que no decenio 2008‑2018. E todo iso a pesar de que a finais do pasado ano xa existían 162 parques que xeraban 3423 megavatios, un 14,5% do conxunto do Estado, o que non foi óbice para que as familias galegas pagasen unha das facturas da luz máis elevadas de Europa. O deputado de En Marea Antón Sánchez incide en que ese esforzo propagandístico de Xunta e empresas por maximizar os beneficios dos parques eólicos e minimizar as súas consecuencias negativas débese a que "teñen que defender a aberración do espolio do territorio en beneficio dunhas poucas corporacións, a maioría de capital estranxeiro, e algunhas incluso favorecidas pola súa proximidade ao Partido Popular, como Fergo Galicia Vento SL". Esta última compañía é a concesionaria da planta que se está a desenvolver nun dos montes máis emblemáticos do Courel, no cumio da serra do Iribio, e cuxa construción espertou un gran rexeitamento por ir en contra da lei ao se atopar nun espazo que forma parte da Zona de Especial Conservación Ancares‑Courel, da Rede Natura 2000 e que está situada dentro do BIC Camiño de Santiago, ademais de estar incluída na proposta de declaración de Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Iribio e O Courel, presentada publicamente só cinco días antes da aprobación do proxecto definitivo do parque eólico, "cando unha cousa é absolutamente incompatíbel coa outra", segundo Adega. A opacidade e o fume da sospeita rodean esta instalación desde que nada máis perder as eleccións o último goberno de Fraga, xa en funcións, aprobara unha Declaración de Impacto Ambiental que "non tivo en conta a localización do parque eólico nun espazo natural protexido da Rede Natura –daquela Lugar de Interese Comunitario– nin realizou unha adecuada avaliación das especies que se verían afectadas, como a aguia real ou o oso pardo, especie ameazada considerada de interese prioritario para a UE", explican Adega e a Sociedade Galega de Ornitoloxía –SGO–. Desde ese momento non houbo máis disposicións até que en outubro de 2018 Fergo Galicia Vento retoma un proxecto que inicia "de xeito ilegal, por atoparse en Rede Natura e por non contar con licenza municipal nin coa autorización da Dirección Xeral de Enerxía e Minas", apostila Adega, que tras agardar oito meses por unha copia do expediente de modificación do proxecto recibírona "tan só catro días antes" da súa aprobación definitiva no DOG, "impedindo calquera posibilidade de achegar alegacións". Todo isto levou a que, hai tan só unha semana, as propias Adega e SGO, entre outras moitas entidades, constituísen a plataforma Salvemos O Iribio, que considera que a principal "argucia" empregada foi non avaliar os impactos acumulativos do plan eólico no seu conxunto: "Fragmentouse interesadamente en tres expedientes administrativos distintos –accesos, liña de alta tensión e parque propiamente dito–, xa que ese impacto sempre será menor, o que contravén a Lei de Avaliación Ambiental vixente". [Podes ler a reportaxe íntegra no número 362 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
NOS_35036
Este mes de setembro deixounos uns datos de desemprego atípicos. A baixada de 377 persoas no desemprego respecto a agosto non agochou a baixada na afiliación de 995 cotizantes e un incremento da contratación temporal. A CIG, CCOO e UXT demandan con urxencia a activación dun plan de reactivación económica e a derrogación das reformas laborais.
O número de persoas desempregadas que rexistraron os servizos públicos de emprego baixou en 377 persoas no mes de setembro en relación ao mes de agosto, o que representa un 0,7% de media, mais aumentou en 19.590 (+12,48%) se comparamos co mesmo mes de 2019. En total contabilízanse 176.574 desempregadas, segundo datos facilitados polo Ministerio de Traballo e Economía Social, aínda que non contabiliza as traballadoras e traballadores acollidos a un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE). En canto á Seguridade Social, a afiliación caeu en 995 persoas cotizantes respecto á media do mes anterior, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1.011.799. En variación interanual, respecto ao mesmo mes do ano anterior, as traballadoras e traballadores dados de alta na Galiza baixaron en 17.749, un 1,72% menos. Por outro lado rexistráronse 83.162 contratos, dos que 76.299 foron temporais. Estes datos constatan que se está a perder emprego e o que se crea é precario. Por sectores, o desemprego incrementouse na agricultura, con 230 persoas máis nesta situación, até 6.271 e a industria recortouno en 881 persoas, até 18.893. Da mesma maneira baixou en construción, en 383 persoas, até 13.341 e aumentou en servizos con 186 persoas desempregadas máis até contabilizar 122.191. No relativo a contratos, con 83.162, Galiza aumentou en 29,14% se o comparamos co mes de agosto (18.763 firmas máis), mais se facemos o balance interanual atopariamonos cun descenso de 22,09% en relación con hai 12 meses (23.573 menos). Por último, os datos achegados polo organismo estatal seguen a amosar que o desemprego afecta máis ás mulleres (93.642) que aos homes (71.666). A CIG contabiliza 395.392 persoas sen traballo Desde a CIG apuntan que os datos de setembro sinalan unha "elevada precariedade e eventualidade" que está a empeorar pola continuidade das reformas laborais no mercado de traballo. A central sindical nacionalista denuncia que aos datos facilitados polo Ministerio "para ter unha imaxe máis acertada da realidade sociolaboral teríamos que sumarlle a esas 176.574 desempregadas as 218.758 persoas que están nunha regulación". O secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Francisco Xabier Cartelle afirma que "estaríamos falando de 395.392 galegas e galegos que nestes intres non están traballando e destas persoas tan só 127.390 perciben algunha prestación do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE)". Ademais lembra que a contía da prestación contributiva media "baixou 1,6% quedando nos 792,3€/mes". Para Cartelle "a situación anómala" que se vive pola pandemia da Covid-19 explica que "neste verán o número de contratacións foi moi escaso, agora a perda de emprego tamén resulta moito menor". Desde a central sindical reiteran a necesidade de contar cun Plan Industrial para Galiza que garanta a actividade produtiva e xere emprego de calidade. Derrogar as reformas e crear un plan urxente Tamén desde CCOO e UXT coidan que é urxente un plan de recuperación económica e social para afrontar a situación. A secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO, Maica Bouza, advirte da "dinámica negativa" na Galiza, xa que está a perder emprego pola baixada de afiliación, mentres que no conxunto do Estado se crean 84.000 postos de traballo. Segudo Bouza a crise "reflíctese con crueza na evolución interanual da contratación", cunha caída de 31% no número de contratos rexistrados: en agosto de 2019 fixéronse 93.629 contratos, mais en 2020 tan só 64.399. Neste contexto, desde UXT tamén piden nun comunicado "derrogar as reformas que lastran o mercado laboral e só serviron para darlle máis inestabilidade e para favorecer a precariedade".
NOS_10379
Xurxo Souto recibirá o Premio Facer País da Asociación Val do Láncara pola súa difusión da cultura galega entre a mocidade. O músico obtén o premio con sorpresa, sentindo que recoñece, máis que a súa figura persoal, un impulso colectivo que marcou a súa xeración: o bravú.
Unha vintena de colectivos culturais da comarca de Sarria, Val do Neira e O Corgo decidiron outorgarlle ao cantante, escritor e locutor Xurxo Souto o Premio Facer País. A entrega terá lugar o vindeiro 2 de novembro en Láncara, nun acto que reunirá representantes do mundo cultural de todo o país Feliz e agradecido, nun primeiro momento Souto sentiuse desconcertado, pois consideraba que os seus méritos eran poucos. Porén, axiña acordou. Non era un premio individual, senón o dun movemento colectivo e xeracional: "Sinto que con este premio non se me recoñece a min, senón ás compañeiras e compañeiros do bravú". Pois xustamente, comenta Souto, hai 25 anos "que un grupo de mozos rachou o tópico de que o galego non servía para o rock and roll", sinala en declaracións a Sermos Galiza. "Sinto que con este premio non se me recoñece a min, senón ás compañeiras e compañeiros do bravú", comenta Souto O xurado valorou o "entusiasmo e forza" coa que reivindica a nosa lingua e a nosa cultura, "contribuíndo a que os demais, e sobre todo a mocidade, as valoremos como parte fundamental da nosa identidade como pobo". Souto móstrase ilusionado polo propio sentido do galardón, que alude ao que considera o seu mestre, Manuel María, e ao seu proxecto literario, político e social. O coruñés tamén destaca a ilusión de o recibir "diante da dinámica dun tempo en que se nos nega, coa nosa cultura invisibilizada". A Vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, destacou "o valor e relevancia do premio que involucra unha vintena de colectivos da comarca de Sarria, Val do Neira e Corgo" e o labor que "desenvolven as asociacións de base no eido da cultura". O de Souto súmase así a outros nomes ou colectivos como lsaac Díaz Pardo, Xosé Manuel Beiras, Xosé Neira Vilas, o diario A Nosa Terra, a Mesa pola Normalización Lingüística ou Margarita Ledo Andión, que, desde a súa creación en 2002 por parte da Asocaciación Val de Láncara, recibiron o galardón, outorgado coa colaboración da Deputación de Lugo.
PRAZA_14275
Pedímosvos de novo a vosa colaboración, un novo impulso imprescindible para seguir facendo xornalismo crítico, tan necesario nestes tempos e tan importante no período electoral que temos por diante. Pedímosvos -e seguirémolo facendo periodicamente- unha achega económica, ben puntual ben cunha periodicidade fixa, mensual ou trimestral, para seguir facendo xornalismo e para facelo cada vez mellor, pagando a máis colaboradores e sumando máis contidos.
Praza necesita de ti, de vós. Praza non ten detrás un gran grupo empresarial nin grandes desembolsos individuais de cartos; constrúese e vive basicamente das achegas do apoio e da confianza dos seus lectores e lectoras. É a nosa debilidade pero é tamén o compromiso de que sodes vós, lectores e lectoras, os propietarios e propietarias de Praza Pública. Grazas a vós estamos aquí En xaneiro e febreiro fixémosvos unha apelación á vosa confianza, e respondestes. Pedímosvos un apoio para facer xornalismo de calidade, crítico, que apostase por un cambio en Galicia, que defendese as conquistas sociais nun tempo de demolición, que incrementase a pluralidade informativa nun tempo de silenciamento, e que acompañase e amplificase os milleiros de voces da rede galega. E grazas a vós estamos aquí. Sete meses e medio. Case dúas mil noticias, máis de 11 mil fálases, máis de 500 artigos de opinión. Unha media de case seis mil usuarios únicos diarios, incrementados a case oito mil nas últimas semanas, case vinte mil páxinas vistas cada día. Todo grazas a un total de 235 doadores, que achegaron ao redor de 72 mil euros. E aínda que somos conscientes de que non cumprimos todos os obxectivos e liñas de actuación ás que nos comprometéramos, poñeremos máis esforzo en facelo a partir de agora. Pedímosvos de novo a vosa colaboración, un novo impulso imprescindible para seguir facendo xornalismo crítico, tan necesario nestes tempos e tan importante no período electoral que temos por diante. Agora pedímosvos de novo a vosa colaboración, un novo impulso imprescindible para seguir facendo xornalismo crítico, tan necesario nestes tempos e tan importante no período electoral que temos por diante. Para garantir o funcionamento de Praza precisamos 90.000 euros cada ano. Pedímosvos -e seguirémolo facendo periodicamente- unha achega económica, ben puntual ben cunha periodicidade fixa, mensual ou trimestral, para seguir facendo xornalismo e para facelo cada vez mellor, pagando a máis colaboradores e sumando máis contidos. Para iso poñemos en marcha unha páxina na que se fai máis claro e directo o proceso para facerse subscritor ou subscritora de Praza. Con varias opcións para facer achegas mensuais, trimestrais ou puntais. Tamén poñemos en marcha unha campaña de captación de publicidade, con tarifas de todos os niveis para a que podedes dirixirvos aos teléfonos e enderezos electrónicos que figuran nesta páxina. Nas vindeiras semanas iniciaremos tamén unha estreita colaboración con El Diario.es, o xornal dixital dirixido por Ignacio Escolar que nace este martes 18 de setembro, e sobre a que daremos máis detalles nuns días. Agárdannos tempos interesantes. E estamos convencidos de que os medios de comunicación críticos son máis necesarios que nunca. E necesitamos de ti. Traballamos para ti. * * * Nova relacionada: Praza Pública: informe de transparencia nº 1
NOS_1179
Comunicoullo esta terza feira á Comisión Nacional do mercado de valores (CNMV). As accións de Liberbank caen en 10%.
Abanca dá un paso atrás e non lanzará unha OPA por Liberbank. Así llo notificou esta terza feira a entidade presidida por Escotet á Comisión nacional do mercado de valores (CNMV), que esta segunda feira dera un ultimato a Abanca para que nun prazo de 10 días decidise se ía realizar esa OPA. "Abanca e o seu accionista de control decidiron renunciar ao seu interese en promover a posíbel operación corporativa entre Abanca e Liberbank e, en consecuencia,, non formular unha OPA sobre Liberbank", sinálase no feito relevante remitido ao CNMV momentos antes da apertura do mercado. Esta operación estaba condicionada por Abanca a poder realizar unha auditoría (due dillingence), o que non lle permitiu a CNMV. A noticia da OPA de Abanca foi desbotada xa desde o primeiro momento por parte do consello de Liberbank, partidario de manter o rumbo trazado desde hai meses de se fusionar con Unicaja. Porén, entre certos accionistas de Liberbank parecía non desagradar. Os principais accionistas de Liberbank son: as tres fundacións das ex caixas (Asturias, Estremadura e Cantabria) suman 24% do capital. O investidor mexicano Luis Tinajero controla 7,4% e a asturiana famila Masaveu (negocios en adegas, eléctricas portuguesas, inmobles en EUA…) ten 5,5%. Oceanwood, con máis de 17% do capital. É un fondo de capital risco con sede nas Illas Caimán e que en 2017 entrou no Consello de Liberbank, do que era xa accionista. Estaría interesado en vender e por iso era o que vía con mellores ollos a oferta de Abanca.
NOS_43478
Boa xornada do equipos galegos na Segunda B, que tivo como partido destacado o empate entre Compos e Coruxo. Na Liga Asobal, o Cangas perdeu en casa.
Resultados: Fútbol: Primeira división: Deportivo-Atlético de Madrid 1-2Eibar-Celta 0-1 Segunda división: Racing-Lugo 1-0 Segunda división B: Celta B-Valladolid B 2-0Racing Ferrol-Logroñés 1-0Compostela-Coruxo 1-1Tropezón-Somozas 0-2 Baloncesto: ACB: Barcelona-Obradoiro (Xoves 30 de abril / 21h) LEB: Breogán e Ourense clasificados para o playoff Breogán-Joventut 85-80Ourense-Navarra 89-49Coruña-Palencia 76-73 Liga Feminina: Ferrol (rematou a tempada regular en 11º posición) Liga Feminina 2: Celta Selmark-ADB Araski 56-71 Pabellón Ourense-Badajoz 55-69 Balonmán: Liga Asobal: Cangas-BM Aragón 31-34 Hockei: OK Liga: Liceo-Reus 4-5 Voltrega-Cerceda-Reus 3-5
NOS_53638
Antón Gómez-Reino usa ben máis o "nós" do que o "eu". Ese "nós" é inequivocamente plural e reférese a En Marea -a confluencia pola que é parlamentar no Congreso- e a Podemos, a formación morada da que é un dos máis destacados referentes na Galiza. Nesta entrevista debullamos a iniciativa de reforma da lei de montes que Gómez-Reino apresentou no Parlamento estatal e analisamos a actualidade política. Alerta sobre a furia recentralizadora en curso no Estado e dubida que exista a correlación de forzas precisa para unha reforma "positiva" da Constitución de 1978. Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos Galiza 273.
Cais son os trazos básicos da proposta de reforma da lei estatal de montes que apresentastes no congreso? É unha norma que quer atacar os tres elementos fundamentais que se agochan tras os incendios forestais. Por un lado, a cuestión do cambio climático, que evidentemente modifica o contexto dos ecosistemas tal e como os coñecimos até agora e, portanto, necesitamos unha viraxe de 180 graos na política forestal. Por outra parte, está todo o que ten a ver co monocultivo de especies pirófitas, nomeadamente, no caso do país, o tema do eucalipto. E finalmente todo o que engloba a precarización, a externalización, a privatización de servizos de prevención, extinción e emerxencias. Aquí defendemos con clareza que teñen que ser de carácter público. Alén diso, pulamos por fortalecer a ordenación forestal, aumentar as medidas de protección do monte, nomeadamente dos bosques autóctonos, e abrir vía a unha xestión participada... na Galiza sabemos ben de todo iso, cos montes en man común, e nese sentido queremos tamén darlle un amparo desde o ámbito normativo. E finalmente abordamos o elemento este do que se fala moitas veces e que ten a ver co cambio de usos após un incendio, refírome ao artigo 50.1 da lei de montes estatal. Nese sentido, entendemos que se estaban a utilizar as excepcións [que regula ese artigo] como norma para vulnerar o que di ese preceito. Estaste a referir a que o artigo 50.1, na súa redacción actual, abre demasiado a porta a que, vía excepcións, si que se podan urbanizar terrenos queimados, non é? Si, sabemos que en diferentes partes do Estado estanse a utilizar as excepcións que abre ese artigo para acabar construíndo, acabar urbanizando e acabar dándolle ao monte outros usos que non son os forestais. E por iso o que quixemos foi blindar este aspecto da norma. Iso é o que tencionamos facer con esta proposición de lei. [Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 273, á venda na loxa e nos quiosques]
NOS_56283
A visión xacobina da Administración en Francia deixa pouco espazo para visións nacionais distintas da que emana do centralismo de París. Resistindo esa forte presión política e cultural están varios partidos, entre outros os que aglutina a federación R&PS, que como cada ano por estas datas organiza varios días de debate sobre federalismo.
En xuño de 1994, partidos soberanistas e federalistas alsacianos, vascos, bretóns, cataláns, corsos, occitanos e saboiardos presentaron unha lista conxunta para as eleccións ao Parlamento europeo. O seu nome: Régions et peuples solidaires (R&PS). A experiencia consagrouse, mantívose no tempo e case tres décadas despois continúa viva nun Estado, o francés, centralista por antonomasia. Para compartir experiencias e analizar os retos que os pobos e nacións baixo soberanía francesa afrontan na actualidade, R&PS organiza anualmente a súa universidade de verán, que neste 2021 chega á súa 26ª edición. Onte botou a andar na localidade occitana de Tolon e até o domingo servirá de foro para analizar cuestións referentes á saúde, á economía, ao clima ou á terra desde unha perspectiva nacional. De feito, o lema deste ano é Enfrontando crises sistémicas: mudando a Constitución, optando polo federalismo. Un dos temas principais xirará arredor da diversidade lingüística tras a controvertida decisión do Consello Constitucional francés de censurar a educación inmersiva nas linguas propias dos territorios, logo de aprobalo como lei o Parlamento estatal. Decisión que levou as redes de escolas inmersivas (en bretón, Diwan; en catalán, Bressola; en occitano, Calandreta; ou en éuscaro, Seaska) a convocar varias manifestacións. O 21 de maio, o Constitucional revogou parcialmente a norma, alegando que a educación inmersiva en linguas diferentes ao francés e o uso en documentos oficiais de signos diacríticos que non existen no francés (como a vírgula do "ñ" usada en éuscaro ou bretón) ían en contra da Carta Magna. Esta estabelece, no seu artigo número 2, que "o francés é o idioma da República". "As linguas rexionais de Francia estanse a volver inconstitucionais", laiábase tras coñecer a sentenza Jordi Vera, coordinador do movemento político Oui au Pays Catalan, en declaracións a Ouest-France. Precisamente un dos relatorios versará sobre esta cuestión: "Á Constitución correspóndelle adaptarse, non ás linguas rexionais desaparecer". Especulación e crise agraria Outra das crecentes preocupacións que afrontan territorios como a Bretaña, Córsega ou o País Vasco é a imposibilidade económica da cidadanía para residir no seu propio país. Son lugares onde o turismo e a adquisición de segundos inmóbeis están a provocar un incremento abusivo no prezo da vivenda. Neste sentido, na xornada de onte abordouse a proposta que varias formacións de R&PS propón nos seus programas: isto é, un "estatuto de residencia" co fin de loitar contra a especulación inmobiliaria. Nil Caouissin, autor do Manifesto por un estatuto de residencia na Bretaña, foi o seu relator, nunha presentación en que defendeu a súa proposta como solución á crise agraria. Relacionado con esta última problemática, Gérard Cazorla, representante da Sociedade Cooperativa de Traballadores da Provenza, avogou polas cooperativas como "ferramenta de territorialización da economía". E outro sindicalista agrario na Provenza, Denis Carel, fixo unha aposta pola agroecoloxía co fin de garantir a autonomía alimentaria sustentábel. A Europa das nacións Na xornada da tarde, a directora do sindicato de traballadores kanak (Ustke), Mina Kherfi, analizou as perspectivas que afronta Nova Caledonia ─territorio de ultramar baixo soberanía francesa─ de cara ao terceiro e derradeiro referendo de independencia do vindeiro 12 de decembro. A medra nas desigualdades sociais e a importancia económica do país (o arquipélago posúe 30% do níquel do mundo) centraron o relatorio. Para hoxe, entre as 10 e as 13 horas está programada a mesa de debate Superar a Europa dos Estados, que moderará o eurodeputado corso, membro do grupo Os Verdes/Alianza Libre Europea (ALE), François Alfonsi. Interverá en primeiro lugar Roccu Garoby, secretario xeral da ALE na Eurocámara, co tema A autodeterminación e a Unión Europea. A seguir, Escocia, cal son as perspectivas europeas despois do Brexit? será o tema que presentará Christian Allard, membro do Partido Nacional Escocés (SNP). Wouter Patho, membro do partido flamengo N-VA, falará a continuación de Rexións e Europa, o exemplo das rexións belgas. E por último, a presidenta do independentista Ålands Framtid, Peggy Eriksson, presentará o relatorio Entre Finlandia e Suecia, as Illas Åland: autonomía, status de residente e as súas linguas. Xa pola tarde haberá un debate público centrado nas eleccións presidenciais de 2022, con presenza de deputados do grupo Libertés et Territoires e tamén, entre outros, do secretario xeral de Europe Écologie Les Verts, Julien Bayou. R&PS emite tanto este debate como todas as conferencias a través da súa canle de YouTube. Córsega contará por primeira vez neste curso con dúas escolas inmersivas Impulsado pola organización Scola Corsa, o proxecto para contar con escolas inmersivas en lingua corsa desde idade temperá farase realidade a partir do inicio do ano escolar 2021-2022, o próximo 6 de setembro. Scola Corsa fixo un chamamento nas últimas semanas á colaboración económica, dado que a diferenza das escolas concertadas non contan con financiamento ningún por parte do Ministerio de Educación francés. Un problema que tiña previsto resolver a chamada "lei Molac", a norma tumbada polo Consello Constitucional. En concreto será unha trintena de escolares da rexión de Bastia os que poidan recibir a educación inmersiva en lingua corsa. A redes de escolas inmersivas en corso, Eskolim, contará cunha aula nun centro educativo de Biguglia e outra máis noutro de Bastia capital.
PRAZA_5556
Queremos Galego concreta as mobilizacións que se celebrarán polo Día das Letras en oito localidades galegas e fai público o manifesto, elaborado por Marica Campo, que pide rebelarse ante a discriminación á lingua propia.
A plataforma Queremos Galego vén de concretar as manifestacións que en varios puntos de Galicia se celebrarán o vindeiro 17 de maio co gallo do Día das Letras. Serán oito as localidades que acollerán a partir das 12 do mediodía as diferentes mobilizacións: A Coruña (no Obelisco), Lugo (nos xardíns de San Roque, ante a estatua de Xoán Montes), Ourense (na Alameda, ante a figura de Blanco Amor), Pontevedra (praza da Peregrina), Compostela (Porta Faxeira), Vigo (Vía Norte), Ferrol (praza de Armas) e Foz (praza do Conde de Fontao). As sete cidades e Foz acollerán as mobilización de Queremos Galego polo Día das Letras Queremos Galego, colectivo unitario impulsado pol'A Mesa pola Normalización Lingüística, volverá saír á rúa porque "estas mobilizacións en defensa do noso idioma continúan a ser tristemente necesarias", tal e como di Marcos Maceira, novo presidente d'A Mesa. "Non nos resignamos a que as persoas que falamos galego teñamos menos dereitos", di quen convida a "todas as persoas que aman o galego a que participen nos actos deste Día das Letras ao mediodía nas sete cidades e en Foz". En todas as concentracións e manifestacións lerase un manifesto que foi elaborado pola escritora Marica Campo e onde se parafrasea un dos versos máis coñecidos do autor a quen se lle dedican as Letras deste ano, Xosé María Díaz Castro, para "animarnos a que conquistemos novos pasos adiante para a nosa lingua no ensino, nos medios de comunicación, na xustiza ...". "Non podemos tolerar que hoxe o español, coa axuda do inglés, se utilice como sepultureiro do galego" No manifesto, Marica Campo asegura que "non podemos tolerar que no noso país, hoxe, o español, coa axuda do inglés, se utilice como o sepultureiro do galego". "O galego é a lingua propia de Galiza. En boa lóxica, xa que é así, está na súa casa e non precisa permiso das outras, impostas e alleas, para se mover libremente polas diversas estancias", insístese nun texto que denuncia a discriminación que sofre o idioma e que lembra que foi reducido "á oralidade, á fala, a unha clase social, aos oprimidos carentes de todo poder de decisión, a uns lugares, ás aldeas e a unha idade, os vellos". "O tempo actual non é propicio para a existencia de Galiza e do seu signo principal, a lingua galega, porque a globalización pretende arrasar con toda diferenza que ouse desafiar a hexemonía do imperial dominante", di o manifesto, que advirte que a cidadanía non os vai "compracer". "Non temos a menor vontade de suicidio nin de resignación", di o texto, que parafrasea a Díaz Castro para reclamar "un paso adiante e mais outro paso adiante" para a lingua, tanto nas aulas como nos medios, na Xustiza, na Administración, no comercio ou no ocio. Ademais, tamén se recorda que, tal e como di a Carta Europea das Linguas non Estatais, "unha lingua normal é unha lingua ubicua e omnipresente", pero advírtese que esa normativa, ao igual que o Plano Xeral de Normalización Lingüística, foi "desprezado por quen o tiña que executar". "Debe ser a lingua obxecto de uso e de defensa todos os días do ano en todos os lugares e momentos, porque non é un adorno ou unha peza cultural: é o noso ser e precisa dunha defensa cívica e dun amor colectivo e dunha mobilización social tan potente como a que dedicamos a outros asuntos que teñen a ver co diñeiro, co traballo ou con dereitos conquistados", conclúe o manifesto.
NOS_47617
Ademais dos 1.000 euros en metálico tamén haberá outros galardóns, como vivir un dia de rodaxe coa produtora Vaca films, unha tablet valorada en 300 euros, un móbil de última xeración ou unha cámara de gravación con micrófono.
Co obxectivo de lograr "un achegamento da mocidade á lingua galega e aos medios de comunicación", a Asociación de Medios en Galego convoca un certame de vídeos, podcasts e regueifas no que as mozas e mozas do país poidan mostrar as súas experiencias nas que se relacione o idioma co mundo dos medios de comunicación. Os traballos non deben superar os catro minutos de duración, e poderán presentarse persoas de entre 12 e 30 anos, así como tamén aulas de ESO, Bacharelato e ciclos formativos. "Teñen que ser traballos nos que se relacionen a lingua galega e os medios de comunicación, e nos que se valorará a utilización do humor, a calidade técnica e lingüística, o poder de persuasión, a claridade expositiva e a creatividade", explican desde a Asociación de Medios en Galego. Premios Ademais dos 1.000 euros en metálico tamén haberá outros galardóns, como un dia de rodaxe coa produtora Vaca films, unha tablet valorada en 300 euros, un móbil de última xeración e unha cámara de gravación con micrófono. Os traballos enviaranse por correo electrónico a [email protected] e o prazo de presentación de finalizará o 30 de setembro, estando as bases completas na web da Asociación de Medios en Galego.
NOS_15629
O presidente do Ecuador, Rafael Correa, vén de advertir dun posíbel "golpe de estado brando" no país logo dos estalidos de bombas panfletarias esta cuarta feira perto dos xornais El Telégrafo e El Universo.
"Só lles queda a forza", sinalou no día de hoxe Rafael Correa, presidente do Ecuador, en relación á desestabilización que está tratando de provocar no país a oposición despois do estalido de bombas panfletarias esta cuarta feira (29 de xullo) perto das sedes dos diarios El Telégrafo e El Universal. O presidente ecuatoriano vinculou os ataques aos diarios a un grupo "instrumentalizado pola dereita". O Goberno de Correa denuncia que a actual situación do Ecuador é promovida polas elites económicas, que viron diminuídas as súas ganancias polas medidas de redistribución social da riqueza en beneficio do pobo máis necesitado. Nas últimas semanas, a dereita promoveu no país accións violentos contra as leis de Herdanza e Plusvalía, malia que Correa xa anunciara o retiro temporal deste proxecto de lei e apelara a un debate nacional ao respecto.
NOS_56065
Europa occidental, América do Norte e Oceanía son os principais escenarios do terrorismo de ultra dereita.
Os atentados de extrema dereita aumentaron en 320% nos últimos anos, uns atentados que incrementaron especialmente en zonas como EUA, Europa Occidental e Oceanía. Así o indica o secretario xeral da Interpol nunha entrevista no Washington Post, onde advirte que moitos destes casos, "as redes sociais empregáronse como unha especie de incubadora ", di Jürgen Stock. Stock, alemán, non ten dúbidas sobre "o o pano de fundo xenófobo e da extrema dereita" nos ataques de Hanau e asegura que o seguinte paso será comprender "se hai unha rede nacional ou internacional implicada" na preparación do ataque, xa que o autor pasou completamente desapercibido no radar da policía. Para o secretario xeral da Interpol, o que fai falta é que todo o mundo se dea conta de que "isto é terrorismo". Jürgen Stock argumenta que a metodoloxía de colaboración entre estados que se aplicou en relación con outros terrorismos como o Estado Islámico debe aplicarse ao terrorismo de extrema dereita
NOS_26326
CIG reclama a cobertura de todas as prazas mediante persoal das listas de contratación.
CIG denuncia a falta de medios humanos no operativo de prevención e defensa contra os incendios forestais en pleno período de alto risco e reclama a cobertura de todas as prazas do servizo mediante persoal das listas de contratación. O Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (Pladiga 2019), aprobado polo Consello da Xunta o pasado 2 de maio, sinalaba que serían 7.000 efectivos para a loita contra o lume, homes e mulleres que pertencen a medios propios da Xunta, Concellos, Ministerio de Medio Ambiente, exército e forzas policiais do Estado. En canto aos medios propios da administración autonómica -integrados no Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF)- ,"dende a CIG temos que denunciar un ano máis a falta de persoal tanto de bombeiros forestais en brigadas como carencia de persoal nos puntos estratéxicos de vixilancia e emisoristas nos distritos". No que se refire ás brigadas forestais, a central afirma quehai bombeiros forestais e condutores de baixa laboral ou con permisos por paternidade ou maternidade, entre outros, "provocando que ditas brigadas en moitos días de traballo no alto risco estean inoperativas, tendo o centro de distrito que ubicar os bombeiros forestais con condutores de autobomba, reducindo a capacidade do dispositivo". No ano 2012 había unha rede de 106 puntos de vixilancia fixa na Galiza, dos que as principais tiñan persoal abondo para cubrir as 24 horas no período de máximo risco de incendios forestais. Actualmente, denuncia o sindicato, hai tan só 44 puntos de vixilancia fixa operativos en todo o país, e non están operativos as 24 horas. "O principal responsábel desta mingua de persoal é que a Consellaría do Medio Rural non cubre baixas, vacacións nin permisos do persoal, polo que atopamos brigadas cun só compoñente e casetas de vixilancia pechadas", critican. "Estamos a falar da época de risco extremo de incendios forestais, na que a Xunta de Galiza debera pór todos os medios para que o dispositivo do SPIF non mingüe a súa operatividade e efectividade".
NOS_36467
A candidatura a Patrimonio Mundial fica adiada. A Xunta e o Goberno do Estado español acordaron atrasar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial por "prudencia" após coñecer a existencia dun documento en contra do órgano asesor da institución. O obxectivo de ambas as administracións é que se siga a traballar no proxecto para "reforzalo".
A Ribeira Sacra agardará algo máis de tempo para intentar gañar o recoñecemento de Patrimonio Mundial da Humanidade da Unesco. Malia que a candidatura ía ser remitida ao organismo este ano, transcendeu que existe un documento negativo do órgano asesor Icomos (Consello Internacional de Monumentos e Sitios) que fixo reflexionar a Xunta e o Goberno do Estado español. Ambas as Administracións públicas veñen de adiar a proposta por "prudencia", coa intención de "reforzala" de cara ao seu enfrontamento polo título con outros lugares do mundo. O Icomos cuestionou algúns aspectos da proposta que xa existía, polo que se acordou adiar a iniciativa e traballar máis naquilo que se quere trasladar á Unesco para que inclúa esta contorna singular da Galiza na súa listaxe. A decisión final foi froito dun encontro entre o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o embaixador de España ante a Unesco, Juan Andrés Perelló, que asumiron que este paso atrás é "habitual". "A Ribeira Sacra será Patrimonio Mundial", afirmou Rodríguez, que pensa que este pequeno atranco no calendario non vai impedir que se presente doutra forma a candidatura, pois o movemento anunciado esta quinta feira é só unha suspensión "estratéxica", dixo. "Non podemos estar máis orgullosos do traballo feito e dos grandes fitos que conseguimos nun tempo récord", destacou, pero xurdiron -segundo palabras de Perelló- "severas discrepancias" co estudo do Icomos que invitan a "un diálogo profundo". Non hai "tempo" para facelo en 2021, toda vez que se indican "erros manifestamente corrixíbeis" e "outras cousas que se poden incorporar" á proposta da Ribeira Sacra. Perelló incidiu en que "o importante é chegar, non cando". De feito, coa retirada deste trámite da axenda de 2021 non se concretou outra data.
NOS_49194
O Concello de Cangas ven de asinar un convenio co director Ignacio Vilar para participar como "capital semente" no próximo filme do cineasta, Maria Solinha, que será rodado principalmente no municipio. "En todas as nosas películas comezamos coa procura de financiamento, e estamos moi agradecidos ao Concello de Cangas, que é un lugar onde o teatro está moi vivo, por poñer a primeira pedra", explica Vilar.
Unha das localizacións estrelas do proxecto será o Cabo Home, lugar icónico para o director. "A min gústame moito este punto da península do Morrazo, desde onde podes ver a inmensidade do Atlántico, as Cíes, a ría...", relata o creador, quen reside en Vigo desde hai dezasete anos e recoñece que a visión de Cangas desde a cidade é unha "paisaxe cotiá da miña vida diaria que me motiva a contar unha historia nesta contorna tan impresionante". De Cangas de Morrazo tamén sae a actriz protagonista do filme, Andrea Santos, unha rapariga de 19 anos estudante na ESAD (Escola Superior de Arte Dramático) de Vigo. "Coñecina a través de Ermel Morales, profesor no mesmo centro e que é tamén o meu asesor de intérpretes, e falando con ela foi como saíu o nome de Maria Solinha, unha muller tamén de Cangas do século XVII que optou por ser libre e acabou por ser queimada pola Inquisición", narra Vilar. Foi a partires dese punto cando a historia do filme comezou a ser desenvolvida. "Xurdiu a idea de facer un filme sobre unha Maria Solinha actual, unha muller do século XXI, Elba, que soña con ser actriz, e enfronta moitos problemas impostos pola sociedade, a familia, os amigos… que non lle deixan ser libre", indica o director. O argumento colle fundamento na obsesión da protagonista, encarnada por Andrea Santos, por dominar un método interpretativo baseado na premisa da Grecia clásica de coñecerse a un mesmo, semente do teatro clásico do estilo de Sófocles ou Eurípides. "Este método introspectivo foi estudado por Ermel Morales na súa tese doutoral, e consiste na adquisición de chaves científicas para que a persoa intérprete sexa quen de poñer distancia e fixar as súas reaccións naturais –bágoas, xestos, expresións...– ante conflitos reais seus para logo poder dotar a personaxe daqueles elementos persoais e intransferíbeis, de xeito que o espectador poida detectar o verdadeiro que existe dentro dunha ficción", aclara. Ignacio Vilar leva xa un ano a traballar no proxecto, realizando unha grande labor de desenvolvemento deste método coa actriz principal, de quen xa fala como unha grande promesa interpretativa. "Andrea (Santos) está moi implicada nesta personaxe, que toma o seu nome –Elba– da muller que atoparon na escavación arqueolóxica de Pedrafita, que ten máis de nove mil trescentos anos e cuxo nome significa 'a que ven da montaña'", incide. Esta reflexión que o autor propón sobre o rito iniciático á idade adulta e a loita pola propia identidade poderá verse nas salas de cinemas na primavera do ano 2019. A producción, que é unha colaboración entre Vía Láctea Filmes e Vigópolis, ten programado comezar a rodaxe o cuarto trimestre de 2018, após finalice a procura de financiamento e o traballo cos intérpretes, parte vital do proxecto. Foto: a actriz Andrea Santos, protagonista de María Solinha.
NOS_33023
A maior xoia bibliográfica galega, o pergameo Vindel, volve á Ría de Vigo que inspirou o poeta Martín Códax. Será este outubro cando poidamos disfrutalo no Museo do Mar, onde ficará varios meses para logo regresar á Morgan Library de Nova York, de onde será a primeira vez que sae. Contámolo no Sermos Galiza 246. Eis un extracto.
O ansiado regreso do Pergameo Vindel comezou, tal e como nos contou a profesora da Universidade de Vigo, Camiño Noia, nunha viaxe a Nova York de Margarita Ledo e Cipriano Jiménez, na que foron visitar a Morgan Library Museum que acolle o pergameo desde os anos 70. Alí preguntaron se sería posíbel que viñese a Galiza para dedicarlle unha exposición monográfica e "dixéronlle que si, pero baixo unhas condicións, unha das cales era que o organismo receptor fose unha institución académica". "Entón voltaron e, emocionados, pensaron que debía ser a Universidade de Vigo e pensaron en min, por ser catedrática do Departamento de Filoloxía Galega". Así se empezou a tecer a idea do regreso dunha xoia bibliográfica escrita no século XIII polo poeta Martín Códax. Aínda que o termo "regreso" non sexa acaído de todo. "Se cadra o pergameo non estivo en Galiza nunca. Se cadra foi escrito nunha cidade onde estaba a corte do rei, non tivo por que pisar este país nunca", lembra Francisco Singul, o historiador que vai comisariar a exposición que acollerá o documento. [Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 246, á venda na nosa loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]
PRAZA_120
Os asociados deciden se a entidade reintegracionista participa como colectivo na mobilización do 8 de febreiro ao considerar necesario un "cambio de estratégia" ante unha convocatoria que "só atinge umha parte da problemática e centra-se demasiado na denúncia anti-governamental".
A AGAL (Associaçom Galega da Língua) debate se participa ou non como colectivo na manifestación que a plataforma Queremos Galego convocou para o vindeiro 8 de febreiro en Compostela. O colectivo reintegracionista vén de abrir un espazo na Rede para que sexan os seus asociados os que decidan se a entidade "deve ter umha presença coletiva, com faixa e material próprio, ou nom nesta mobilizaçom concreta". A AGAL abriu un espazo de debate na web ata o vindeiro domingo no que os seus socios decidirán se o colectivo participa na manifestación Malia que a AGAL non forma parte de Queremos Galego, si ten participado e apoiado varias das súas importantes mobilizacións recentes, como as que se levaron a cabo contra o decreto do plurilingüismo ou polo Día das Letras en 2013. A entidade aclara aos seus socios que sempre que se manifestou xunto á plataforma fíxoo "com umha atitude positiva, com a vontade de indicar que nom só é necessário superar o statu quo atual da língua na Galiza, como também a estratégia desenhada nas últimas décadas". E é precisamente ese necesario cambio de estratexia que reivindica o que non ven entre as demandas e o que leva agora a AGAL a abrir un debate interno que, nestas e outras cuestións, xa solicitaron varios dos seus asociados nos últimos tempos. A entidade reintegracionaista insiste en que as dúbidas non son tanto sobre a mobilización en si, senón sobre o contido da mesma. Así, asegura que "a convocatória só atinge umha parte da 'problemática' e centra-se demasiado na denúncia anti-governamental" e, aínda que recoñece "muitos avanços" nestes últimos trinta anos, tamén cre que "a estratégia que nos afasta do nosso tronco comum galego-português é enormemente pouco eficaz". "A convocatória só atinge umha parte da 'problemática' e centra-se demasiado na denúncia anti-governamental", di AGAL "Do Conselho partilhamos muitas das reivindicações expressadas na convocatória, como o pouco dinamismo do governo galego ou a petiçom de retirada do decreto no ensino, mas também é certo que há outras que continuam a insistir na estratégia errada dos últimos anos, como o caso de pedir a aplicaçom de um obsoleto Plano Geral de Normalizaçom", cre a AGAL, que mantén aberto este espazo de debate na Internet ata o vindeiro domingo e que decidirá a súa participación como colectivo ou non segundo os resultados que aí se acaden. A entidade pregúntase se non sería bo cambiar impresións entre colectivos antes de convocar a mobilización Entre as dúbidas que levaron a entidade a abrir o debate está tamén a "forma" ao entender queu se o que se procura é "umha açom coletiva o mais eficaz possível de todo o movimento que trabalha em favor do galego, nom seria redundante fazer umha troca de impressões antes de convocar". AGAL foi consultada 24 horas antes de ter sido convocada a manifestación, segundo aclara, malia destacar a boa relación que mantén e mantivo sempre con Queremos Galego. Ás opinións do debate aberto ata este domingo 25 pode acceder calquera persoa, pero só os asociados á AGAL poderán participar e votar nunha reflexión da que xurdirá a decisión final da entidade reintegracionista.
NOS_7500
Perto de 30 comarcas experimentaron incrementos en relación ao ano anterior -marcado pola aparición da pandemia- pero moitas delas tamén superaron as cifras de 2019.
Diversos grupos industriais de grande ou medio tamaño levan meses, e mesmo anos, anunciando os feches das súas instalacións na Galiza e iso, en parte, está derivando nun maior emprendemento e na creación doutras sociedades mercantís que no 2021 que acaba de rematar igualaron os datos previos á pandemia do coronavirus. A saída ou feche de grandes empresas que sosteñen miles de postos de traballo directos e indirectos no país é unha mala noticia. Sen dúbida, mais hai outros proxectos que veñen de tomar forma. Segundo as estatísticas do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (Borme) que vén de publicar o Instituto Galego de Estatística (IGE) xa cos datos definitivos do pasado exercicio, até en 29 comarcas se experimentou un crecemento no número de altas de negocios. Dadas as particularidades de 2020, a priori non sería un ano difícil de superar, pero nalgúns casos tamén se ascendeu por enriba das cifras de 2019. É o caso, por exemplo, do cómputo global de todo o país. En 2021, e após saber que se rexistraron 300 novas empresas no mes de decembro, creáronse 3.927 novas compañías, a maioría de carácter limitado. Un ano antes o número era de 3.196 -con independencia de que decembro tamén resultara positivo- e, ademais, tramitáronse perto de 150 altas máis que en 2019, cando non se tiña noticia do coronavirus. A evolución comarcal A mesma dinámica que na Galiza deixouse notar a nivel máis local nun total de 29 comarcas, aínda que non todas incrementaron os seus datos por enriba de hai dous anos. Entre as áreas con bos resultados en 2021 están O Barbanza (80 firmas novas); Betanzos (62); Noia (32); Xallas (19); Terra de Lemos (36); Allariz-Maceda (14); O Condado (59) ou O Morrazo (70), entre outras. Tanto na Mariña Central como na Occidental houbo uns pequenos incrementos en relación a 2020, se ven na Mariña Oriental a baixada foi destacada pasando das 31 sociedades xeradas en 2020 ás 21 ao feche do seguinte exercicio. Así está unha das zonas máis afectadas polos anuncios das multinacionais como Alcoa da súa marcha. Pola contra, as mellor paradas ao sumar as cifras de decembro foron as áreas das sete grandes cidades. En todas elas, agás en Ourense que equiparou os números aos de 2019, superáronse os rexistros dos dous anos anteriores. Na Coruña xurdiron 815 negocios e en Vigo 785. Xa en Compostela o número foi de 321 e en Pontevedra contabilizáronse 221 altas. Ourense ficou con 212; Lugo chegou ás 158; e Ferrol, unha zona que tamén se ten manifestado na procura de apoio das autoridades para garantir o seu futuro industrial e laboral, sumou 119.
NOS_44426
As actividades comezarán o día 16 de agosto e rematarán o día 19 cunha ofrenda floral diante do monolito en Cacheiras.
O concello de Teo realiza, desde 2007, un recoñecemento da figura de Ánxel Casal recollendo a iniciativa que xa viña realizando a Fundación Castelao. Ánxel Casal (A Coruña 1895-Cacheiras 1936), destacou pola súa labor como editor e político, o último alcalde republicano da cidade de Compostela, e militou no Partido Galeguista desde a súa creación. Despois do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido e paseado o 19 de agosto. En lembranza do seu asasinato colocouse un monolito no lugar onde apareceu o seu corpo a carón da estrada en Cacheiras. ActividadesEste ano as actividades comezarán coa proxección do filme "Vilamor" o 16 de agosto (Praza Braña dos Alféreces en Cacheiras, preto do lugar onde está o monolito, 22.30 h.) e continuarán con actividades infantís e familiares o 17 de agosto (Praza dos Carballos, 19:00 h.); un concerto da Banda de Música de Calo o 18 de agosto (Praza Estivada da Ribeira, 20 h.); e a tradicional ofrenda floral e actos de conmemoración dedicados a Ánxel Casal o 19 de agosto (Praza Estivada da Ribeira, 20:30 h.).
NOS_25270
Gaiteiro, compositor e luthier, Antón Varela -Tonecho para os seus achegados- fora tamén membro d'Os Cempés. Enterrouse esta tarde en Ferrol.
Antón Varela (Ferrol, 1955) finaba onte no Día da Patria por mor dun cancro e hoxe foi soterrado no cemiterio de Catabois. O mundo da música tradicional galega amosou a súa consternación onte e hoxe nas redes sociais. A Asociación de Gaiteiros Galegos definiuno como unha das "figuras de referencia da nosa cultura tradicional galega" e un dos máis recoñecidos artesáns, "dunha excepcional delicadeza e capaz de converter cada instrumento nunha obra única" desde o seu obradoiro da rúa San Francisco, en Ferrol Vello, "lugar de peregrinación para gaiteiros de todo o mundo e desde o cal o son das súas gaitas animaba a veciños e visitantes". Segundo este colectivo, Varela "deixa un valiosísimo legado vinculado coa música tradicional galega, pero deixa sobre todo unha gran pegada naqueles que tivemos a sorte de telo coñecido, e que o levaremos sempre na memoria". Músicos, bandas e gaiteiros de todo o país amosaban a súa dor e as súas condolencias nas redes sociais. Anxo Pintos (ex Berrogüetto) definíao así: "Tan grande como bo e elegante. Ata sempre raparigo". Bieito Romero (Luar na Lubre) aínda non daba crido a noticia; e Óscar Ibáñez despedía dicindo: "Onte, día de Galiza, foise un grande da nosa música tradicional e folk". Os seus ex compañeiros d'Os Campés, con quen compartiu anos de andaina, lembraron o seu legado: "Quedan con nós as preciosas músicas que nos aprendeu e o recordo de mil aventuras que pasamos xuntos. Grazas Tonecho". Gaiteiro, artesán e compositor Nado en Ferrol en 1955, Antón Varela foi gaiteiro, artesán e compositor. Comezou tocando primeiro o bombo e o tambor, pero pronto descubriu a súa paixón pola gaita. Formou parte de grupos como Os Cempés, Follas Novas, Os raparigos ou Berros do Castro onde ademais realizou un gran labor de recuperación da memoria gráfica da gaita galega. Gran apaixoado da nosa terra, a súa gran vocación sempre estivo ligada á gaita. En 1986 deixouno todo para concentrarse na música, que era a súa verdadeira vocación e marchou a Lugo para formarse como 'luthier' baixo as ensinanzas de Xosé Seivane.
NOS_41099
O tempo de agarda para a resolución dos expedientes de dependencia non deixa de medrar na Galiza. Mentres no Estado os prazos reducíronse no último ano en nove días, na Galiza a demora incrementouse en 44 días. O escaso investimento en dependencia da Administración galega explica a situación.
O tempo medio transcorrido desde a solicitude da axuda de dependencia até a resolución da prestación situouse na Galiza en 411 días. Segundo os últimos datos achegados polo Observatorio da Dependencia, referidos ao exercicio de 2021, estas cifras representan un incremento do período de agarda para o solicitante de 44 días en relación con 2020, ano onde a actividade ordinaria dos diferentes organismos estivo paralizada pola pandemia. A pasada anualidade viron recoñecida a súa dependencia 6.814 persoas. 3.513 delas foron declaradas como grandes dependentes, 700 como dependentes graves e 2.601 como dependentes leves. Porén, só se trata dunha pequena parte das e dos solicitantes da mesma, sinalando o Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), organismo adscrito ao Ministerio de Asuntos Sociais, a través do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD), que en 2021 formalizáronse 77.804 peticións para acceder a estas representacións. As listas de agarda para a dependencia acumulan grandes atrasos. A este respecto, o Observatorio da Dependencia certifica que a 31 de decembro de 2021, na Galiza existían 8.728 casos pendentes de resolución e 410 expedientes á espera de valoración. Ao tempo, entidades como a Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais cuestionan estas cifras e consideran que "o número de cidadáns galegos que esperan unha prestación é moi superior aos recollidos nas estatísticas oficiais, elaboradas a partir dos datos achegados pola administración xestora". As numerosas queixas dos solicitantes apuntan nesa dirección. Neste sentido, a institución da Valedora do Pobo recolle no seu informe de 2021 que "nos últimos anos aumentaron as queixas polos atrasos das valoracións e a consellaría confirmou a existencia deses atrasos". Tanto é así que a propia Consellaría de Política Social recoñece que "o procedemento de valoración da situación de dependencia e asignación de recursos do SAAD presenta na actualidade problemas estruturais que necesitan ser abordados para a mellora do procedemento e para poder dar resposta ás solicitudes de valoración e atención rexistradas evitando demoras excesivas". 470 falecementos no período de agarda O ditame sobre a dependencia presentado en abril de 2022 pola Asociación de Directores e Xerentes en Servizos Sociais sinala que 470 persoas faleceron en 2021 na Galiza estando na lista de espera de dependencia, sen seren atendidas. 395 das mesmas viran recoñecido o seu dereito a recibir unha prestación porén non viran efectuados os primeiros pagos das axudas. As outras 75 estaban a agardar pola resolución de grao. Mais o acontecido non é un caso illado nunha anualidade, senón a norma que se repite exercicio tras exercicio O financiamento da dependencia na Galiza A Galiza atópase á cola do Estado en investimento público en dependencia. Segundo os datos da Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, o conxunto dos Gobernos autonómicos destinaron en 2021 de media ao financiamento deste servizo 79,1% do seu custo total, porén a Xunta só dedicou 67%. O Goberno galego situouse na posición de fechacancelas nunha clasificación que liderou Euskadi, cunha achega de 88%, seguida de País Valencià con 85% e Nafarroa con 84%.O gasto medio anual por persoa beneficiaria dunha axuda de dependencia situouse na Galiza no pasado exercicio en 6.758 euros. Os números do país só ficaron por riba de Castela e León con 6.599 euros e de Andalucía con 6.653 euros, colocándose máis unha vez por baixo da media estatal.
NOS_20777
Advirten do grave impacto social e económico que tería o proxecto de decreto da Consellería de Medio Rural. Trasladan a súa preocupación á Deputación.
Trece concellos de Lugo fan fronte común contra a prohibición do eucalipto no seu territorio. O proxecto de decreto da Consellería de Medio Rural, que nestes días vai ser trasladado ao Consello Forestal, prevé a prohibición de plantar esta especie en 29 concellos da provincia lucense. Prohibición que se estende á provincia de Ourense, ficando A Coruña, Pontevedra e boa parte de Lugo como áreas para eucaliptos. Alcaldes destes concellos participaron nunha xuntanza na Deputación de Lugo na que transmitiron a súa preocupación polo impacto social e económico desta medida. Lembran que neses municipios rurais o eucalipto é unha fonte de rendas para moitas familias, que os plantan nos seus terreos, así como ser a base dunha das poucas industrias que teñen, a da madeira. Alcaldes como o de Fonsagrada consideran que este tipo de medidas supoñen "botar a xente do rural", mentres que o rexedor de Castroverde considera que con esa prohibición "estase a promover unha vez máis unha Galiza de dúas velocidades". Portugal O goberno portugués quer dar un paso á fronte perante a expansión do eucalipto, unha especie que nestas dúas décadas se situou como a primeira na superficie forestal lusa, ocupando o 26% da mesa e desbancando o piñeiro bravo. Embora a oposición de parte da industria e propietarios, o executivo de Portugal incluíu na súa reforma forestal unha lei para conxelar a plantación de eucalipto no país até 2030, Na actualidade hai 811.000 hectáreas plantadas con esta especie en Portugal, 100.000 máis que hai dúas décadas. Na Galiza, o eucalipto ocupa case 290.000 hectáreas da superficie arborada, cifra que desde entidades e colectivos elevan a case 370.000 Has.
NOS_48369
"Sinto máis rabia que satisfacción", afirma o ex conselleiro de Industria (2005-2009), segundo recolle El Progreso de Lugo.
A Audiencia de Lugo acaba de arquivar a causa contra Fernando Blanco, un dos altos cargos do BNG durante o bipartito, por considerar que a acusación formulada contra el polo empresario Jorge Dorribo carecía de credibilidade e en ningún momento foi demostrada. O sobresemento chega após un proceso que se prolongou durante 7 anos, período en que Fernando Blanco estivo imputado polas acusacións de Dorribo, dono da farmacéutica Nupel e quen foi condenado a 4 anos de prisión polo seu envolvimento na chamada Operación Campeón, unha fraude de subvencións públicas e tráfico de influencias. O tribunal alega tamén a "demora xudicial" á hora de fundamentar a súa resolución, alegación que se produce após o poder xudicial ter aberto un expediente á xuíz instrutora Pilar de Lara por "dilacións indebidas" no desenvolvimento da causa. Acusacións sen fundamento O tribunal vai destripando todas e cada unha das acusacións formuladas por Dorribo contra Blanco, sen conceder crédito a ningunha delas. Sobre a suposta recepción por parte de Blanco dun anel como dávida en troca da adxudicación do servizo de limpeza municipal —durante a época en que o nacionalista desempeñou labores de goberno no concello de Lugo—a Audiencia estima que a acusación "carece de todo soporte documental que a avale, e ningún testemuño corrobora a existencia dunha pretendida irregular concesión". A respecto da hipotética entrega de diñeiro efectuada por Dorribo para ver favorecidos os seus intereses empresariais, o tribunal tamén a desbota porque "a exhaustiva investigación patrimonial da que foi obxecto [Fernando Blanco]", non só el, senón tamén "um amplo entorno familiar do mesmo", non permite concluír "un enriquecimento que evidencie a apropiación das diversas cantidades que afirma Jorge Dorribo". Tampouco existe a menor proba que dea credibilidade á acusación de que Blanco favoreceu a concesión dunha subvención de 1,4 millóns en troca de participacións nas sociedades que Dorribo tiña en Andorra e Camerún. "Tales afirmacións carecen de soporte documental fiábel ou testifical algún", alega o tribunal.
NOS_18254
Gaizka Garitano puxo fin á rolda posterior ao encontro do seu equipo en Almería, ante as continuas protestas dos xornalistas locais. [Vídeo no interior]
O adestrador do Eibar, Gaizka Garitano, plantou este domingo a prensa na rolda posterior ao encontro que o seu equipo disputou en Almería. Garitano recibiu unha primeira pregunta en euskera, que contestou na mesma lingua. Unha situación que provocou as protestas dos xornalistas locais, segundo informa o xornal Gara. Malia os intentos do responsábel de prensa do club andaluz, que pediu respecto para Garitano e recordou que era unha situación habitual, as críticas continuaron. O adestrador do Eibar decidiu levantarse e abandonar a sala.
PRAZA_15645
Durante os mandatos de A. Núñez Feijoo (PP) a débeda pública de Galiza incrementouse en 9,9 puntos –duplicouse- equivalentes a 5.400 millóns de euros.
As débedas públicas, xunto aos plans de axuste, téñense convertido nas derradeiras décadas nun mecanismo moi eficaz de transferencia de recursos –redistribución de rendas- dende as clases populares –clases de rendas medias e baixas- as clases de rendas altas, maiormente bancos e axentes financeiros. Si a finais do século pasado foron os estados do Sur os que padeceron este saqueo ao través do pago da débeda externa, agora son estados europeos e moi especialmente os periféricos –Portugal, España, Grecia- as vítimas e por medio da débeda soberana. En España, e en Galiza, o Partido Popular explicou a crise financeira do 2008 por mor de que os cidadáns "vivíramos por riba das nosas posibilidades". Un gasto excesivo estaba, segundo estes profetas do capital, na raíz da grave crise polo que a superación da mesma debería pasaren por unha redución dese gasto -público e privado- que levara a uns déficits e unhas débedas públicas insostibles. Pois ben e centrándonos en Galiza vimos de coñecer, segundo fontes solventes, que este país pechou o 2015 con unha débeda pública de 10.300 millóns de euros, equivalente ao 18,5% do PIB. Para avaliar a real importancia do dato lembremos que no ano 2009 -cando A. Núñez Feijoo ao fronte do PP acedía a Presidencia da Xunta de Galicia- a débeda pública galega era de 4.900 millóns de euros –equivalente ao 8,6% do PIB-. Isto significa que durante os mandatos de A. Núñez Feijoo (PP) a débeda pública de Galiza incrementouse en 9,9 puntos –duplicouse- equivalentes a 5.400 millóns de euros. Un incremento que realmente é superior xa que na débeda pública contabilizada para o 2015 non se inclúe o gasto público –xuros e amortizacións- derivado tanto do Hospital de Vigo como de distintas autovías –que suman en conxunto mais de 2.000 millóns que haberían que engadir a débeda pública si contabilizada (10.300 millóns)-. Un gasto que, nembargante, a Comisión Europea non considera débeda pública senón gasto corrente (capitulo II), aínda cando os cidadáns o paguemos como si fora débeda. Esta Xunta de Galiza aparecera no seu día como abandeirada do chamado "austericidio", o axuste fiscal compulsivo. Unha estratexia xustificada, como dixen ao principio, en base a que "os galegos vivíramos por riba das nosas posibilidades" e agora deberíamos apertarnos o cinto empezando polo gasto público e os salarios para deste xeito conseguir reducir os "excesivos" déficits e débedas públicos e privadas. Compre inmediatamente subliñar que si o PP galego consideraba como excesiva a débeda pública do ano 2009 como considera a débeda pública actual (2015) que mais que duplica o valor daquela?. Por si ese dato non fora suficientemente clarificador saibamos tamén que durante estes dous exercicios (2009-2015) o goberno galego pagou, en concepto de servizos da débeda –xuros e amortizacións-, un total de 7.600 millóns de euros, unha cantidade moi superior ao global da débeda inicial (4.900 millóns de euros), un pago que nembargante non impediu que a débeda seguira medrando (de 4.900 a 10.300 millóns), chegando a producirse o despropósito de que nos derradeiros anos a débeda contraída anualmente ía destinada case na súa integridade ao pago dos servizos da débeda acumulada. Tomemos como exemplo o que pasou no 2015: nese ano os ingresos públicos por débeda sumaron 1.700 millóns de euros, dos cales 1.544 (90,8%) foron para a carga da débeda acumulada mais as amortizacións quedando so 23 millóns de euros (1,4%) para investimentos, "para financiar 23 millóns de euros en investimentos a Xunta de Galiza tivo que endebedarse en 1.700 millóns de euros" (X. Álvarez Corbacho: "Orzamentos e débeda pública". TEMPOS NOVOS, agosto 2015). A Xunta contrae débeda para pagar débeda -e non para o financiamento de bens e servizos públicos- ao tempo que aquela segue medrando. Un disparate?: non, UNHA ESTAFA. Durante estas dúas lexislaturas o goberno galego (PP), utilizando sempre como xustificación a necesidade de rebaixar a débeda pública, levou a cabo uns recortes brutais no gasto público en atención sanitaria (-12%), ensino (-11%) e dependencia (ata un 25% de rebaixa na prestación media, e un 21,5% de aumento na denegación de solicitudes) entre outros servizos públicos básicos. Recortes que, nembargante, non impediron que a débeda pública galega seguira medrando e de xeito exponencial (210%) Neste contexto está mais que xustificado, realmente é unha necesidade, reivindicar que o novo goberno galego, que saia das urnas na vindeira consulta electoral, faga unha AUDITORIA da débeda pública galega pois os galegos temos dereito a saber a verdade sobre a mesma. A verdade de por que, a pesar dos grandes axustes no gasto público (-14,5%), a débeda pública galega non parou de medrar durante estas dúas lexislaturas do PP con A. Núñez Feijoo ao fronte da Presidencia da Xunta. A saber o POR QUÉ desta ESTAFA e QUEN se beneficia da mesma.
NOS_53426
O aumento do desemprego e o aumento da temporalidade marcan o inicio do ano. Só 16% dos contratos asinados foron indefinidos.
O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego na Galiza subiu en 1.348 persoas en xaneiro (+0,88%), un mes no que adoita aumentar polo fin da campaña de Nadal. Segundo os datos publicados esta cuarta feira polo Ministerio de Traballo e Economía Social, na Galiza hai un total de 153.932 persoas paradas, 32.052 menos que hai un ano. No Estado, o número de parados rexistrados subiu en 17.173 desempregados en xaneiro (+0,5%), a menor repunta neste mes desde 1998, cando o paro se incrementou en 10.285 persoas. Sobe o paro nos servizos En todos os meses de xaneiro desde 1997, ano no que comeza a serie histórica comparábel, rexistráronse subidas do paro. A de xaneiro deste ano representa o segundo mellor dato de toda a serie, só por detrás do de 1998. O ascenso de xaneiro pon fin a nove meses consecutivos de descensos do paro e deixa a cifra total de desempregados en 3.123.078 persoas. No último ano, o desemprego acumula un descenso récord de 841.275 parados, o que supón un 21,2% menos. O paro aumentou en xaneiro no sector servizos, que sumou 33.627 desempregados (+1,5%) e na agricultura, onde subiu en 2.657 persoas (+1,8%). En cambio, baixou no colectivo sen emprego anterior en 9.386 parados (-3,7%); na construción (-7.304 desempregados, -2,8%) e na industria (-2.421 parados, -0,9%). No último ano, o desemprego reduciuse en todos os sectores, especialmente nos servizos, con 577.132 parados menos; seguido do colectivo sen emprego anterior (-99.905 desempregados); construción (-66.642); industria (-60.429) e agricultura (-37.167). Maior temporalidade Para o sindicato CIG, o ano comeza marcado, ademais, pola "temporalidade na contratación". Salienta o crecemento do paro e a caída das afiliacións á Seguridade Social. Descenderon 1,05%, cunha media de persoas afiliadas de 1.021.784, 10.831 menos con respecto a decembro. "O mercado laboral galego volveu experimentar un peor comportamento que o estatal". A suba do paro superou nunhas décimas a media estatal e a afiliación media "superou en oito veces o aumento do desemprego". Os datos son máis negativos entre as mulleres, advirte a central nacionalista. "E a nivel sectorial, o que marcou a tendencia negativa neste último mes foi o sector servizos, no que se rexistraron 2.133 persoas paradas máis, un incremento de 2%".No que atinxe á contratación, rexistráronse 70.942 contratos, dos que só 16,1% foi de carácter indefinido. En canto ás persoas que permanecen en situación de ERTE, o último día de xaneiro contabilizábanse 5.330 (2.866 mulleres e 2.358 homes), das que 4.423 estaban en ERTE derivado da Covid. Efectos da reforma laboral Para a CIG, os datos do paro de xaneiro amosan "os efectos máis perversos da nova reforma laboral antes incluso da súa presumíbel aprobación definitiva". A contratación temporal continúa por riba do 80%, mentres que a indefinida aumenta máis nas modalidades máis precarias: na indefinida parcial medra un 40% a nivel estatal, e nos fixos descontinuos increméntase un 50%, salienta o sindicato. "Esta última modalidade de contratación indefinida non é máis que agochar contratación eventual baixo o eufemismo de fixo descontinuo", denuncia. "Un 68% da contratación indefinida na Galiza rexistrouse no sector servizos, que é onde se agochan as maiores bolsas de precariedade laboral".
NOS_56446
Veñen de lanzarse á grella televisiva dúas series de televisión relacionadas coa Galiza: Néboa (TVE) e Auga Seca (TVG e RTP). A primeira segue a estela de Fariña deixando fóra do marco a nosa lingua, que non o acento, denotando as dinámicas dun mercado no que o galego é observado como sobrecusto. A segunda parte do acordo estratéxico asinado entre as televisións galega e portuguesa para a creación de contido conxunto. Estes dous feitos lévannos a analizar dous sistemas de distribucións, dobraxe e subtitulado que determinan dinámicas e oportunidades diferentes para a circulación do audiovisual galego.
Néboa, a nova serie de televisión española, ambientada na Galiza e con reparto do país, chegou recentemente ás pantallas. O acento galego escóitase de novo na televisión estatal, até hai quen diría que está de moda. Esta nova serie vén con rótulos, as habituais palabras chave —como entroido, aínda que non de maneira tan arriscada como a polémica mestura na que incorreu esa linguaxe da súa antecesora Fariña— e mesmo algún pequeno fragmento na nosa lingua. Todo isto sería impensábel até hai pouco, dada a batalla e o afán unificador imposto desde o territorio estatal, cunha tendencia absoluta á neutralización dos acentos. Esa é a primeira lección que aprenden as actrices para traballar fóra. "Enténdese que a escolla da lingua galega é un sobrecusto para a produción", explica Brais Romero Ao mesmo tempo, viu a luz na canle pública portuguesa a segunda das coproducións asinadas entre este organismo e o seu equivalente galego, desenvolvida polas empresas SPi e Portocabo. Após o drama de época de Vidago Palace, chega Auga Seca, un thriller policial que ten lugar entre Vigo e Lisboa. Fronte á primeira, unha coprodución que logo foi dobrada de tal modo que na súa emisión na Galiza non escoitamos nin bocado de portugués —máis alá dun anecdótico "obrigado/a" ao que a TVG non nos ten afeitas—, a nova produción, maioritariamente en galego, levou a nosa lingua para a televisión veciña. Estreada na RTP o 18 de xaneiro, haberá que agardar até o 2 de febreiro para ver se a estratexia nas pantallas galegas se mantén desta volta sen dobrar o portugués. A lingua na distribución O que estes dous casos poñen en evidencia son as distintas dinámicas que aparecen nos mercados audiovisuais. De modo xeral, un filme pode atopar dúas maneiras de viaxar a outro territorio lingüístico: a dobraxe e o subtitulado. A primeira é a dominante en estados como o español ou Italia, mentres Portugal, por exemplo, opta pola proxección dos filmes foráneos en Versión Orixinal Subtitulada (VOS). Os argumentos a favor e en contra de cada un destes sistemas son varios, e dependen especialmente da tradición do país. Normalmente, a dobraxe define un sistema máis proteccionista. A galega é tan válida coma calquera outra lingua para o cinema, pero os mercados do audiovisual poden chegar a condicionar moito o seu uso en función dos resultados que agarden para a distribución. O investigador Brais Romero, director da revista dixital de crítica cinematográfica A Cuarta Parede, presentou o ano pasado a súa tese sobre o rol do galego no cinema, na que analiza o período 2000-2015. Este lapso inicia coa entrada en vigor da Lei do Audiovisual, que se supón que artellará as políticas do sector. "É unha lei que pon a lingua nun lugar central", explica Romero. Se ben foi importante a actividade desde a Xunta de comezar a darlle unha regularidade ás axudas, a actitude desas políticas a prol da lingua non se ve "moi plasmada na realidade, pois o galego está bastante desaparecido nas producións que se fan", declara. De facto, non é até a chegada do Goberno bipartito cando as subvencións se endurecen, volvéndose máis restritivas e premiando máis o emprego da nosa lingua. O resultado foi claro: nesta época comezou a haber máis producións en galego que en castelán. Manolo González é unha das figuras chave para entender o cinema galego contemporáneo. Entre outros méritos, foi o director da Axencia Galega do Audiovisual, desaparecida institución, que deu orixe ao que agora se coñece como Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), na súa versión máis ampla. González considera que nos últimos tempos se ten incrementado notabelmente o número de producións con versión orixinal galega. "Hai anos, o problema básico de que os filmes se fixesen en castelán obedecía a que, segundo se dicía, o mercado non aceptaba eses filmes escritos en galego", di. A respecto disto, Romero lembra que "hai que ter en conta quen son as propietarias das salas de cinema, grandes empresas que procuran grandes producións que non apostan nunha versión orixinal". Porén, para González "o tempo e a actualidade están a demostrar que iso non é un problema", pois os filmes en versión orixinal galega compiten hoxe en día sen ningún problema en festivais internacionais. A galega é tan válida coma calquera outra lingua para o cinema O circuíto internacional do cinema independente é moito máis aberto á entrada de filmes en linguas minorizadas, e opta sempre pola versión orixinal subtitulada. É neste mercado onde entran as producións enmarcadas baixo a etiqueta do Novo Cinema Galego, esa amálgama que sintetiza as prácticas cinematográficas de fronteira que, en palabras do crítico Martin Pawley, "colocaron o cinema galego como referente fóra das nosas fronteiras". Con todo, os datos ofrecidos por Romero mostran un panorama desolador: "só 18% dos filmes son producidos en galego". A trampa da dobraxe "Enténdese que a escolla da lingua galega é un sobrecusto para a produción", explica con rotundidade Romero. Tal é a imposición dun mercado como o español no que a presenza deste método de tradución como forma de distribución maioritaria condiciona que, fóra de salas independentes, apenas se escoiten outras linguas. Así, se un filme en galego desexa chegar a Madrid, o principal mercado logo do nacional, terá que ser dobrado ao castelán. De aí que a tendencia habitual sexa facelo directamente en castelán e dobrar ao galego para que se poña na Galiza, coa conseguinte perda de calidade que isto supón, pois é na versión orixinal na que aparecen as voces e as interpretacións xenuínas do elenco, así como a intención máis orixinal das palabras do guión. Por iso, aínda que exista unha copia en galego, esta moitas veces nin se chega a reproducir. Durante os 15 anos que estuda Romero, a dobraxe do castelán ao galego aparece como tendencia "para disfrazar a identidade do filme", explica. Fanse películas en castelán porque terán maior distribución e "deposítase diante da Administración, co Centro Galego de Artes da Imaxe, unha copia dobrada ao galego". Estas non adoitan ter moito percorrido, son case "como copias de arquivo", denuncia o investigador, que en moitos casos non se chegan nin a facer, sen que o propio Goberno diga nada. "Eu teño comprobado que moitas das copias que se entregaron no CGAI non son en galego, cando así o require a propia axuda, ou que non se depositou aínda a copia", revela. "Enténdese que a escolla da lingua galega é un sobrecusto para a produción", explica Brais Romero "É unha ilegalidade que durante estes 15 anos foi constante", denuncia Romero, pois filmes beneficiarios destas axudas fixéronse en castelán. Romero entende que, alén dunha falta de compromiso, existe unha falta de control. Se no propio título da axuda se fala de "produción en lingua galega", terá que ser nese idioma e non noutro. Esta denominación, presente até 2014, desapareceu na actualidade, substituída pola tópica "contido cultural galego", un paraugas baixo o que o criterio lingüístico afecta apenas 20.000 euros no orzamento e 10 puntos na valoración da convocatoria. Para quen manteña o escepticismo en canto a esta medida, cómpre lembrar que o criterio, máis rigoroso na época do bipartito, traduciuse en que unha maior parte das producións se fixesen en galego. González, se ben admite que a institución pode facer moito para incentivar a produción en galego, non considera que ese sexa o punto crítico. "O problema está no compromiso das produtoras, dos directores ou dos equipos para que o filme sexa en galego", asevera. El entende que a día de hoxe se pode facer sen ningún problema, optando a axudas na Galiza e tamén a nivel estatal, por parte do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), aínda que hai lugares como as televisións estatais onde isto custa máis. Ignacio Vilar ten comentado as dificultades que atopou neste eido para a distribución dos seus filmes. Recentemente, con O que arde aconteceu algo semellante. Beli Martínez relata o difícil que foi para a produtora negociar a exhibición na televisión pública estatal, a pesar do éxito do que gozan quer o filme quer o director. A docente e profesional da produción marca tamén como obxectivo que as televisións estatais, especialmente a pública, entren a financiar contido na nosa lingua. "Pouco se pode facer aí máis que convencer", opina González, mais "se Ignacio Vilar ten a vontade de facer filmes en galego, leva facéndoo moitos anos". É na vontade onde se sitúa para el a cuestión. Falta daquela un sector audiovisual comprometido coa lingua e a identidade galegas? Así o denunciaban Alberte Pagán xunto a Comba Campoi e Xis Costa nun breve texto que chamaba a atención sobre o "uso litúrxico" do galego no audiovisual, que só se emprega "cando as subvencións obrigan". Ou fica reducido a unha minoría verdadeiramente concienciada coa identidade e as problemáticas do país. Se cadra, de aí que, como di González, as películas en galego teñen unha "vocación minoritaria" como filmes de autor e que pretenden "achegar algo máis que dúas horas de divertimento". Outro aspecto interesante é ver como, nos catálogos Films From Galicia, elaborados por Agadic como fiestra á produción galega para o exterior, aparecen películas como Quien a hierro mata (Paco Plaza), Feedback (Pedro C. Alonso), La sombra de la ley (Dani de la Torre) ou La felicidad de los perros (David Hernández). Certo é que os criterios para definir a nacionalidade dun filme son complexos e entran en xogo razóns como a procedencia da dirección, do financiamento ou da equipa técnica, mais a Xunta mostra o seu desleixo ao deixar o aspecto lingüístico ben lonxe da ecuación. Tampouco cómpre esquecer, como sinala Romero, que "o signo máis claro da nacionalidade dun filme é a súa lingua, que nos sitúa nun marco hiperglobalizado cunha voz propia e nos sinala como singulares". Iso é o que crea, en última instancia, unha cinematografía propia. A calidade da lingua Porén, non se trata unicamente de que os filmes estean en galego, senón que cómpre analizar tamén a calidade da lingua que empregan. Rosa Moledo traballou como lingüista en incontábeis producións audiovisuais, é a artífice de traballos da lingua tan celebrados como o galego de Portozás da histórica serie da galega Mareas Vivas. Estivo tamén tras o tratamento lingüístico de Fariña, rara avis tan celebrada como criticada. "Oxalá se tivese feito en galego", di Moledo, "penso que a todas nos tería gustado". Porén, o mercado español non permite isto. Moledo denuncia que na Galiza "hai moi pouca atención no aspecto lingüístico, moito desleixo. Se non se pide, non se fai". Insiste en que para ela se debera facer doutra maneira. A cuestión, tamén neste caso, é "querer facelo ben", algo que Moledo asocia coa "profesionalidade", que a hai, mais polo xeral non é a norma, nin tampouco unha exixencia. E o máis grave non son os castelanismos, indica, senón outra clase de cousas como "pronomes mal colocados" ou mesmo "os calcos do inglés que aparecen en moitos guións", coas pasivas especialmente, dando conta dun sector eminentemente anglófono. A frustración resume en boa medida o seu traballo. "Hai pouco chamáronme para unha curtametraxe e non daba creto", comenta. Isto non é habitual aquí, onde se fan con moi pouco orzamento. Logo a explicación chegou ao saber que o director traballara moitos anos en Catalunya, onde a corrección lingüística si que xoga un papel fundamental das producións. "En Madrid a cousa non está mellor, non vaias pensar", advirte. O seu traballo, con todo, non fica na corrección do papel, senón que está na rodaxe, para controlar un dos aspectos que considera máis relevantes: a musicalidade da lingua. Internet e as novas plataformas As plataformas de vídeo baixo demanda (Video on Demand, VoD), como Netflix ou Movistar+, están modificando os comportamentos de audiencia e empresas. O galego non adoita incluírse no subtitulado, como denunciou a recente campaña da Mesa pola Normalización Lingüística o pasado Nadal. Estas plataformas serían un bo caso para considerar como vía para internacionalización do galego. O éxito da serie O sabor das margaridas como un dos contidos en lingua non inglesa máis vistos senta un precedente que hai anos sería impensábel. Unha nova que sorprendía público e os propios creadores, que están a traballar xa nunha segunda tempada. Estas fórmulas, que sen dúbida marcarán o futuro da distribución audiovisual, parecen máis abertas aos contidos en linguas minoritarias e mesmo minorizadas. Ofrecen tamén nese senso unha oportunidade para as pequenas cinematografías de viaxar e existir nun mercado transnacional.
NOS_49066
Os tres reitores galegos tamén fixeron parte da lectura simultánea dun manifesto nos 50 campus públicos do estado en que convidan ao ministro de Educación e ao presidente do executivo español a entenderen a educación e a I+D+i "como un investimento e non como un gasto"
"Que a educación superior, a investigación, o desenvolvemento e a innovación, que van intrinsecamente unidas entre si, sexan consideradas como un investimento e non como un gasto". É o que piden nun manifesto @s reitor@s das 50 universidades do Estado español, entre elas as tres da Galiza. Esta segunda feira déronlle lectura de maneira simultánea para advertiren ao goberno español e ao ministerio de Educación que "non perderán só as universidades, senón que quedaremos sen unha das armas necesarias para avanzarmos e saírmos da crise: o coñecemento". Así as cousas, os tres reitores galegos, Salustiano Mato (UVigo), Xosé Luís Armesto (UdC) e Juan Casares Long (USC), uníronse á reivindicación acordada pola Crue --Conferencia de Reitor@s das Universidades Españolas-- perante a aprobación dos Orzamentos xerais do estado, que reducen un 18% o investimento en educación superior e nun 80% os gastos non financeiros en I+D+i. O recorte supón, segundo consideran desde as reitorías, "un deterioro irreparábel" do ensino público. Todo isto engadido á conxelación dos cadros de persoal "levaránnos á perda do tren do desenvolvemento tecnolóxico, hipotecando a investigación e os maiores avances na fronteira do coñecemento", enfatizan @s máxim@s responsábeis dos campus públicos. O endebedamento dos gobernos dos territorios e a diminución nas transferencias que o executivo central se lle transladan ás distintas universidades colocan estas últimas "nunha situación próxima á asfixia". Os reitores galegos, xuntos tamén contra a suba das taxasDurante a súa conferencia de imprensa o reitor de Vigo, Salustiano Mato, referiuse como exemplo de tesoirada que xa foi aplicada ao recorte salarial do 12% para @s empregad@s públic@s, "que de xeito indirecto é dun 25%; estes recortes continuos estannos deixando sen o osíxeno mínimo para respirar". No caso do sistema universitario galego, Mato subliñou que as demandas céntranse no cumprimento do Plan de Financiamento para o período 2010-2015. "Levamos tempo facendo os deberes e axustándonos, e o plan de financiamento, se se cumpre, aínda que significa unha conxelación, asegura un futuro tanto ás universidades como á sociedade en que se insiren", recalcou o reitor vigués, instando o goberno español a respectar o acordo das tres universidades galegas alcanzado coa Xunta de Galiza. Pola súa banda, Xosé Luís Armesto, que tamén nesta segunda feira mantivo unha xuntanza con dúas voceiras do estudantado na UdC --das organizacións Iesga e Comités--, comprometeuse a manter as bolsas de estudos a pesar da redución orzamentaria que proxecta o Executivo de Mariano Rajoy. Armesto foi o único reitor que se abstivo na votación do Consello de Universidades, relacionada coa suba das taxas —onde o estudantado non ten representación— Na Galiza a postura en contra puxo de acordo os tres reitores, que non votaban en conxunto a favor do estudantado desde a LOU. Mais unha vez que a maioría absoluta do PP levou adiante o RD 14/2012, centraron os esforzos en lograr que a Xunta non sucumbise perante os desexos de Madrid e conxelase os prezos da primeira matrícula, incrementando as seguintes na porcentaxe mínima proposta. Dixeron que o conseguiran e acrecentaron que foi "un logro importante", aínda que as organizacións estudantís Comités, Liga estudantil e Agir consideraron que os reitores non mantiveran unha postura firme dabondo contra o decreto.
NOS_25681
Gravado en Quins, onde se non, o novo traballo do ourensán xa se pode gozar de balde na rede.
Aínda con 'Agricultura livre' no padal, os amantes/odiantes de Emilio José xa teñen novo traballo para gozar. 'Ilhas virgens'. Gravado en Quins (Ourense), onde se non, entre marzo e xuño deste ano inclúe 2 temas "para voz, saxo, corda e registos de campo inspiradas na antisocial-democracia rural e com referências à Bíblia, aos Grundrisse ou à Historia de Ribadavia y sus alrededores de Samuel Eiján". No bandcamp tamén cita referencias a 'Castelao, UPG e outras memorias', de Luis Soto. Perigo. Após aquel 'Chorando apréndese' (2009) co que debutou, disco duplo de tripla salto mortal; Emilio José editou o ano pasado 'Agricultura livre', disco triplo e máis de 50 cancións nas que amasaba unha zaragallada musical na que convivían desde jazz até melodías desafianadas, tropicalismo, pop, funk, bossanova e moito máis. Agora, unha nova pilula, 'Ilhas virgens', con dous temas (Felicidade e Mae). Un consello: non se perdan as letras.
NOS_47578
A efectividade dos madrileños tumbou unha voluntariosa equipa celeste (2-4).
O Real Madrid tirou de pegada e efectividade, coa axuda tamén de algo de boa sorte, e iso chegoulle para derrotar con claridade ao Celta na casa (2-4). Tamén axudou que Benzema escollese Balaídos para resucitar e que os celestes non desen aproveitado ocasións claras nos primeiros minutos. Os primeiros compases do encontro mostraban un Celta con gañas e intención de se facer co partido, sen medo ningún ao Madrid e disposto a tirar partido da súa artillería ofensiva. Un esquema que sufriu unha fenda cando Benzema adiantou os 'merengues' cun control do balón só ao alcance dos deuses do fútbol. A piques estivo o Real Madrid, nesa etapa do partido, de endosarlle o segundo ao Celta. O Celta non quería perder o rumbo e trenzou algunhas xogadas que levaron perigo á área madrileña. A primeira parte finalizaba cun 0-1 que poderío ser revertido. Mais ao pouco de iniciar a segunda metade, chegou o segundo gol do Madrid, un tiro de Benzema que bateu en Cabral, desviando a traxectoria e marcando na propia porta. Antes de que o pesimismo poidese anuñar na escadra celtista, Hugo Mallo recortaba distancias cun preciso gol de volea en carreira. 1-2 e o Celta pisou o pedal ofensivo baixo a batuta de director de xogo do canteirán Brais Méndez. Mais un penalti con polémica permitiu ao Real Madrid volver abrir distancias (1-3). Xa no tempo de desconto, Ceballos e Brais Méndez marcaban cadanseu gol. 2-4. Ficha técnica: Celta (2): Sergio, Hugo Mallo, Roncaglia, Cabral, Juncà, Beltrán (Emre Mor, min.63), Okay, Brais Méndez, Boufal (Hjulsager, min.63), Iago Aspas, Maxi Gómez. Real Madrid (4): Corutois, Sergio Ramos, Nacho (Asensio, min.71), Kroos, Benzema, Modric, Bale, Casemiro (Ceballos, min.19), Lucas Vázquez, Odriozola, Reguilón (Javi Sánchez, min.45). Goles: Benzema (0-1, min.23); Cabral (0-2, p.p., min.56); Hugo Mallo (1-2, min.61); Sergio Ramos (1-3, de penalti, min.83); Ceballos (1-4, min.91); Brais Méndez (2-4, min.94). Árbitro: Undiano Mallenco, do comité navarro. Amoestou Hugo Mallo e Juncà (RC Celta), Reguilón e Javi Sánchez (Real Madrid). Expulsou Cabral (RC Celta) con duplo cartón amarelo no minuto 87. Campo: Balaídos (21.184 espectadores).
PRAZA_3246
Xulio Sousa (ILG) publica unha investigación sobre a maneira en que as características morfolóxicas do estándar recollen as distintas variedades do galego, realizada a partir de mostras recollidas nos anos 70. "Nos rexistros formais o peso do estándar é moi elevado, pero nos coloquiais é moito menor", di
O concello no que se fala unha variante do galego máis próxima ao estándar normativo é A Lama. Tamén os lugares de Santa Comba (Lugo), A Cañiza, Deixebre (Oroso), Ribadulla (Vedra) e Lourido (Soutomaior) teñen variedades do galego achegadas á normativa fixada. Son os resultados dun estudo que vén de publicar Xulio Sousa, membro do Instituto da Lingua Galega da USC, na revista Languages. A Lama acada o valor máis elevado, cunha coincidencia dun 89%, pero a media sitúase no 74.75% e unha parte moi importante do país (pintada de vermello no mapa) presenta valores por riba do 77%A investigación parte da análise dos datos do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), elaborado polo ILG a partir de rexistros do galego falado recollidos en áreas rurais de todo o país a finais dos anos 70 do pasado século. En concreto, Sousa analizou os rexistros de 167 localidades de toda Galicia e tamén de zonas de Asturias, León e Zamora de fala galega. Na investigación destaca que as porcentaxes de semellanza entre as variantes do galego e o estándar son moi elevadas. A Lama acada o valor máis elevado, cunha coincidencia dun 89%, pero a media sitúase no 74.75% e unha parte moi importante do país (pintada de vermello no mapa) presenta valores por riba do 77%. A maior coincidencia prodúcese nas áreas dos bloques central e occidental, mentres que o bloque oriental, lindeiro con Asturias, León e Zamora, presenta valores algo máis reducido. A menor coincidencia dáse, precisamente, en lugares de fala galega que se atopan fóra de Galicia, como a localidade leonesa de Pombriego (34% de coincidencia) e a asturiana de Coaña (46%).A investigación buscaba analiza "en que maneira as características morfolóxicas do estándar recollen as distintas variedades do galego"Xulio Sousa destaca que a comparación realizada buscaba analizar "en que maneira as características morfolóxicas do estándar recollen as distintas variedades do galego". E explica que cando este tipo de estudos se realizan noutros lugares "as condicións de partida son outras, pois o estándar está asentado dende hai moito tempo" e o que se adoita estudar é "de que forma as variedades actuais se vén influídas polo estándar fixado e de que xeito o estándar funciona como nivelador das variedades dialectais". En cambio, o estándar do galego é moi recente e, de feito, é posterior á recollida destas mostras. Polo que neste caso o que amosa a investigación é o xeito en que o estándar se axustou ás variables dialectais previas.O traballo desmente así a crenza popular de que o galego normativo é unha variedade "inventada" ou "de laboratorio", afastada da realidade dos galegofalantesO traballo desmente así a crenza popular de que o galego normativo é unha variedade "inventada" ou "de laboratorio", afastada da realidade dos galegofalantes. "Eses xuízos teñen moito que ver coa perspectiva coa que vemos os procesos", di Sousa. "Hoxe ninguén di 'o castelán que se le e que escoita é un castelán inventado', e en realidade si o é, e moito máis outras linguas como o italiano. O que pasa é que a conformación do estándar do galego é moito máis recente e vémolo doutra maneira", engade."A pesar de que popularmente se cre que no galego hai moita diversidade, a realidade é que as diferenzas dialectais non son moitas"Xulio Sousa comenta que "a pesar de que popularmente se cre que no galego hai moita diversidade, a realidade é que as diferenzas dialectais non son moitas, a pesar de ser unha área densamente poboada dende hai moito tempo". "Hai algunhas variacións que teñen que ver co léxico, pero no resto das variables lingüísticas non hai unha variación elevada", di.A investigación analizou un total de 324 fenómenos morfosintácticos, tales como a formación de plurais e ditongos ou as conxugacións verbais. "O traballo está só feito con datos de morfoloxía e morfosintaxe, non con datos léxicos, porque a norma estándar afecta sobre todo a estes elementos", explica Sousa. "Se nós quixésemos facer o mesmo coa fonética ou o léxico, sería máis difícil, porque hai variacións fonéticas que non podemos dicir que non sexan do estándar: se dicimos 'sol' con 'o' aberto ou con 'o' pechado, as dúas formas son do estándar. E o mesmo co léxico, no que é difícil dicir se unha ou outra forma son máis do estándar. Na morfosintaxe hai máis fixación respecto da escolla de determinadas variantes", comenta."Nos rexistros formais, o peso do estándar é moi elevado. En cambio, o peso do estándar sobre os rexistros familiares e coloquiais ten un peso menor"E de que forma influíu o estándar nas distintas variedades dialectais dende a súa fixación hai 40 anos? Xulio Sousa sinala que se necesitaría facer unha recolla actualizada de novos rexistros como os que conforman o Atlas para así "poder facer en detalle unha comparación de tantos trazos lingüísticos".En calquera caso, comenta que neste caso habería que contemplar outras variables, como a diferente influencia da norma nun e noutros rexistros. "Dende os anos setenta o galego gañou variación nun sentido vertical, pois ao ser lingua do ensino e estar presente tamén nos medios de comunicación incorporou rexistros que antes non existían. Neses rexistros o peso do estándar é moi elevado", sinala. "En cambio, o peso do estándar sobre os rexistros familiares e coloquiais ten un peso menor", engade. "Se nos medios de comunicación hai unha variedade que non se usa, pois ao final acabas asociando esa forma de falar sen seseo como a forma máis prestixiada, e gardas o seseo para a casa""Impacto si que houbo e claramente hai certos trazos fonéticos que se están vendo afectados, como o seseo", explica Xulio Sousa. "No seseo, polo que observo e por estudos recentes houbo un retroceso moi acusado nas últimas décadas. E aquí si que se ven grandes diferenzas en función do rexistro: en certos rexistros familiares os falantes úsano e noutros máis formais ocúltano, comenta. Unhas diferenzas que en bo medida teñen que ver coa existencia ou non de "referentes". "Se nos medios de comunicación hai unha variedade que non se usa, pois ao final acabas asociando esa forma de falar sen seseo como a forma máis prestixiada, e gardas o seseo para a casa", remata.
NOS_47548
O Observatorio para a defensa de dereitos e liberdades mostra a súa preocupación pola situación de determinadas persoas presas nesa cadea.
Sen resposta. Ese é o froito obtido por Esculca nas "innumerábeis xestións" realizadas para tentar ser recibidos polo director do cárcere de Teixeiro, José Ángel Vázquez Yáñez. Xestións feitas por diversos medios, informan desde o Observatorio, "entre eles o correo postal (por esixencia do propio director)". O interpelado, indica Esculca, marchou de vacacións. Non é esta a primeira vez que o observatorio solicita manter entrevistas con responsábeis do cárcere de Teixeiro para lles transmitir a súa "preocupación pola situación de determinadas persoas presas ou por cuestións referidas ás condicións de habitabilidade do centro". Para Esculca, o novo director da cadea -antes director dos penais de Pereiro e A Lama- parece entender que a súa xestión "en modo algún pode ser non digamos controlada senón nin sequera observada ou comentada por organismos da sociedade civil". Esta actitude do director do penal contrasta, sostén o Observatorio, co seu gosto por "dar publicidade ás súas politicas carcerarias (medidas como o módulo de respecto mixto do penal da Lama, por exemplo) ou aos seus compromisos electorais (como candidato a alcalde polo PSOE en Curtis nas eleccións municipais de 2007, por exemplo)".
NOS_12636
O aumento do salario mínimo activouse o 1 de xaneiro e xa foi responsabilizado da destrución de emprego e da ralentización do medre económico. Un discurso de ofensiva mediática, patronal e tamén política que deixa case sen marxe de manobra as voces que sosteñen que, se ben na boa dirección, esa suba é insuficiente. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 338 de Sermos Galiza.
O 4 de febreiro fanse públicos os dados do paro rexistrado no mes de xaneiro e axiña a artillería mediática inicia a descarga: a destrución de emprego nese mes ten a ver, factor único no seu relato, coa suba do salario mínimo interprofesional (SMI) pactada nun primeiro momento entre PSOE e Unidos Podemos e que comezou a aplicarse o 1 de xaneiro. Obviábase, nese relato, que xaneiro é tradicionalmente un mes de aumento do paro e que a suba do SMI non se reflicte nas nóminas dese mes. Igual acontece en febreiro. O SMI aumentou a 900 euros mensuais, un incremento de 22,3%. A base mínima de cotización á Seguridade Social aumenta até 1.050 euros. "Unha máis que boa noticia para, entre outras cuestións, as pensións", afirman desde os sindicatos. O incremento dará oxíxeno a máis de 150.000 traballadoras e traballadores na Galiza, unha cuestión nada menor para un territorio que figura como o segundo dos salarios máis baixos de todo o Estado. E quen se beneficiará? Pois nomeadamente en sectores como a hostalaría (10%), comercio (20%), administración e servizos auxiliares (14%), outros servizos (8%). Desde a patronal, e con importante apoio mediático en Galiza, machacouse nestas semanas que esa suba vai ter "claros efectos negativos na contratación". Unha liña argumental que a Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) mantén convencida: "Vai repercutir negativamente na competitividade das empresas", "van aumentar os contratos en negro", "moitas e moitos mozos van ir ao paro"... Ese discurso é rebatido desde as organizacións sindicais. "É incomprensíbel que desde a patronal se estean a dicir esas cousas", opina Roi Fernández (CCOO). "É ridículo", manifesta José A. Gómez (UXT), que se pregunta se alguén pode "vivir con 900 euros". Paulo Carril, secretario xeral da CIG, vai máis alá e defende que esa suba é "insuficiente" e lembra que nestes anos os beneficios empresariais foron en constante aumento mentres os soldos estancaban ou variaban minimamente. Dato: en 2017 as empresas gañaron 50.000 millóns de euros máis que en 2008 e repartiron 20.000 millóns máis en dividendos, mentres que a remuneración das asalariadas e asalariados aínda está 10.000 millóns por baixo. A Carta Social Europea (CSE) fixa que o SMI debería ser 60% do salario medio do Estado de referencia. No Estado español o soldo medio anda en 2.000 euros. A suba do SMI pois, se ben un avanzo, fica por baixo desa recomendación. [Podes ler a reportaxe íntegra no número 338 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
NOS_55773
O Consello das Mareas –máximo órgano político do partido– decidiu na mañá do sábado propoñer unha serie de mudanzas técnicas no sistema de votacións co fin de dotar o proceso eleitoral de maiores garantías. O sector crítico plantou a reunión da dirección ao considerala unha "estafa".
O máximo órgano de dirección de En Marea, o Consello das Mareas, reuniuse na mañá do sábado por vez primeira após a suspensión das eleccións internas. Con posterioridade á reunión, na que decidiu non participar o sector crítico, Luís Villares, portavoz de En Marea expuxo unha serie de medidas acordadas en aras de garantir o "restabelecemento da confianza". Despois de que Gonzalo Rodríguez, membro da Coordinadora de En Marea e representante do partido diante da Axencia Española de Protección de Datos, explicase cronoloxicamente os feitos que tiveron lugar desde que se detectaran as irregularidades denunciadas perante a Fiscalía, Villares salientou que os principios que guiaron o Consello das Mareas no proceso de eleccións internas foron "a transparencia, a ética e as garantías". "Desde o primeiro momento, comunicamos cales eran os feitos graves e de peso que entendiamos que concorrían", explicou. Tamén decidiron, expuxo, "actuar e non mirarmos para outro lado". E na reunión deste sábado acordaron seis medidas de cara a recuperar a confianza no proceso electoral. As medidas adoptadas As medidas adoptadas polo Consello das Mareas, e que foron comunicados á Comisión de Ética e Garantías co fin de que este órgano levante os reparos para o desenvolvemento ordinario das votacións son o cambio da empresa xestora do ficheiro informático que contén o censo electoral; o cambio da empresa xestora das votacións; a implementación do sistema de confirmación de voto por SMS; a renovación das claves de acceso á plataforma no momento da votación; a contratación dun servizo de autorización de votación externa que garanta a limpeza e a implementación na papeleta do nome completo das persoas que conforman cada candidatura. Precisamente, a falta do nome das candidatas e candidatos na papeleta enfrontara o sector crítico co oficial. Está agora na man da Comisión de Ética e Garantías determinar se con estas mudanzas propostas polo Consello pode aprobarse a continuidade do proceso electoral Segundo deu a coñecer Villares na rolda de imprensa, está agora na man da Comisión de Ética e Garantías determinar se con estas mudanzas propostas polo Consello pode aprobarse a continuidade do proceso electoral. En relación ás cuestións que teñen a ver coa organización dos locais de votación ou das ordes para que desde a dirección se envíe información institucional sobre as candidaturas, o portavoz de En Marea afirmou que é algo que compete ao Comité Electoral, órgano en que é maioría o sector crítico. "Non nos compete a nós poñer data", acrecentou Villares. Unha vez que a Comisión de Ética e Garantías levante o veto, será o Comité Electoral quen poña sobre a mesa a data das votacións. O sector crítico planta o Consello das Mareas O sector crítico de En Marea plantou a xuntanza da dirección por entender que era "unha burla e unha estafa". Momentos antes de comezar a reunión do Consello das Mareas, Oriana Méndez, Paula Rodríguez e Daniel Calvete comparecían perante os medios para anunciaren que non participarían da xuntanza convocada. Calvete explicou aos medios que a renuncia a participar do Consello das Mareas vén motivada porque a reunión "é unha burla e unha falsa". "Houbo un plenario no que se tomaron unha serie de acordos que non se están cumprindo", advertiu o membro do sector crítico, que considera a Coordinadora de En Marea –quen decidiu bloquear as primarias– "un órgano en funcións que usurpa as funcións do Comité Electoral". De aí que considere que a reunión convocada para este sábado non tiña "sentido ningún". Aliás, Calvete puxo de manifesto que "está demostrado que non houbo manipulacións do censo" e exixiu convocar as eleccións "de maneira inmediata". Preguntado polos medios a respeito do abandono da reunión por parte do sector crítico, Villares sinalou que respeita a decisión, mais afirmou que "sería conveniente a permanencia no Consello para poder debater e deliberar". Gonzalo Rodríguez engadiu que "hoxe informarmos dos resultados das auditorías" e vimos, dixo, "novas contradicións destas persoas". "Isto é de Filosofía de terceiro, se queres ver as probas, tes que acudir a onde se poden presentar e analizar". Por outra banda, en relación á petición de parte do sector crítico de retirar a información enviada á Fiscalía, Villares puxo de manifesto que "non imos encubrir feitos que lesionan os principios que nos trouxeron á política". "Pídesenos que fagamos a vista gorda e non podemos" polo "compromiso ético coas persoas inscritas". Gonzalo Rodríguez: "Ao mellor Esquerda Unida ten algunha información da que nós carecemos" En relación ao comunicado de Esquerda Unida en que se atribúe á Coordinadora de En Marea a "obstrución" do proceso de eleccións e acusacións de manipulación do censo, Gonzalo Rodríguez asegurou que "nunca nomeamos ningunha organización". "Ao mellor EU ten algunha información da que nós carecemos", concluíu.
NOS_16321
Se a nova Administración norteamericana, tal e como prometeu Donald Trump en campaña, grava os produtos chineses cun arancel do 45 por cento, Beijing non ficará de brazos cruzados.
Un editorial do estatal The Global Times mostra até que ponto China toma moi a serio a perspectiva dunha guerra comercial entre os dous maiores PIB da economía mundial. Na campaña Trump, para gañar o voto da clase traballadora branca danada polas deslocalizacións de multinacionais norteamericanas en México ou China, lanzou a proposta de que gravaria cun arancel do 45 por cento os produtos importados do vello imperio do centro. Este anuncio xa foi matizado esta fin de semana por Paul Ryan, o chefe do Partido Republicano no Congreso. Ryan afirmou: "Non aranceis, non guerras comerciais". Ryan está convicto de que os EUA "poderán traer para casa os postos de traballo [deslocalizados]" sen recorrer ás políticas tarifarias. O presidente eleito o que tentaría sería "voltar a facer América [polos EUA] competitiva" e sobre ese terreno Ryan considera que pode haber acordo entre os congresistas republicanos -moitos dos cales non apadriñaron o ascenso de Trump á candidatura do partido- e o novo inquilino da Casa Branca. Ryan está convicto de que os EUA "poderán traer para casa os postos de traballo [deslocalizados]" sen recorrer ás políticas tarifarias Beijing non se fía e advirte nun duro editorial de The Global Times que están dispostos a responder a unha hipotética guerra comercial. O meio de propriedade estatal cualifica Trump de "naif" por amagar coa imposición de altos aranceis aos produtos chineses. "Se Trump abanear o comercio chinés-norteamericano, un feixe de industrias estadounidenses hase de ver prexudicadas. Finalmente, o novo presidente será condenado pola súa imprudencia, ignorancia e incompetencia", editorializa The Global Times. Retórica á marxe, China alerta os EUA das secuelas concretas que irían decorrer dun combate comercial entre as dúas potencias: "Os encargos de Boeing [avións de fabricación estadounidense] serán substituídas por Airbus [produción europea]. A venda de carros dos EUA e de iPhone en China sufrirán un revés e cesarán as importacións de soxa e millo. China tamén pode limitar o número de estudantes chineses a estudaren nos EUA", di o meio público. E acrecenta: "Pór en dificuldades a China politicamente tampouco lle vai facer ben [a Trump]".
NOS_35970
Álvaro Marín e Alfonso Castro xuntáronse para sumar forzas no estudio 2es+arquitectura. Mantivéronse na época máis difícil, en plena crise económica, e agora están colleitando os froitos. Veñen de recibir o premio á mellor vivenda que concede o colexio de arquitectos.
O primeiro día de clase presentounos un amigo común e aquel foi o comezo da súa amizade. Cos anos acabarían formando un estudio pero ao rematar a carreira colleron vías diferentes. Para uns arquitectos recentemente licenciados como eles, a comezos dos 2000 albiscábase un futuro prometedor. Estábase construíndo moito e disparouse a demanda de arquitectos. Álvaro intentouno pola súa conta, mentres que Alfonso colaborou con estudios diversos. Coa crise, desapareceron os grandes proxectos e as expectativas non eran moi boas. Conscientes das dificultades para sobrevivir como arquitectos independentes, decidiron sumar forzas. Deste xeito, a enerxía dun e doutro sumaban máis que a dos dous por separado, así naceu 2es+. Nos momentos de crise é cando morre o vello e nace o novo, eles lanzáronse á aventura nun momento de incerteza, e semella que lles saíu ben a aposta. Nun momento tan complexo para a arquitectura como 2009, atopar traballo era unha tarefa difícil, polo que calquera escusa era boa para "seducir" futuros clientes. Mesmo situacións inesperadas como unha voda. Álvaro casou ao pouco de arrincar co estudio e para a comida do convite contratou o cociñeiro Pepe Vieira. Ao día seguinte da celebración o noivo espertou con varias chamadas perdidas no teléfono. Resulta que durante toda a noite (aínda que a mañá seguinte non o recordaba) estiveron falando co cociñeiro dun proxecto que mesturaba aloxamentos, natureza e gastronomía, e convencérano de facelo! Así naceu un dos seus primeiros encargos. Ese proxecto estívose a cociñar a lume lento e, máis de 10 anos despois, comezarase a construír. Cada edificio debe transmitir unha idea, clara, mais ás veces esta non é evidente O proxecto para Pepe, como o resto da súa obra, caracterízase por unha busca do esencial. Seguen o lema do alemán Mies van der Rohe: menos é máis. Menos non significa simple, polo contrario, é o proceso de clarificar o complexo. Cada obra é para eles un exercicio de síntese. Usan máis a goma de borrar que o lapis. Cada edificio debe transmitir unha idea, clara, mais ás veces esta non é evidente. Non todo é o que parece. É preciso visitar a súa arquitectura para descubrir os segredos que agocha. Cada obra súa é diferente á anterior, posto que cada cliente é tamén diferente. Exprésano así: "Cada obra nosa pode parecer de arquitectos distintos. Isto é porque cada casa representa o cliente, non o arquitecto. Tratamos de levar o cliente á nosa linguaxe pero sen impornos". Esta práctica desenvolvérona durante os primeiros anos de estudio, nos que tiveron que traballar con clientes moi diferentes. O habitual de arquitectos novos é que as primeiras cousas sexan encargos de familiares ou amigos, no seu caso foi distinto. Montaron a súa oficina na zona vella de Compostela, preto da rúa do Franco. Un local iluminado de noite que chamaba moito a atención. Ao pé da rúa, nunha zona moi transitada, o local fixo de reclamo para que a maioría dos seus primeiros proxectos foran de xente "da rúa". Persoas que chegaban ao estudio con encargos moi variados. Diálogo xeracional Este foi o caso dunha señora de 60 anos que, sen coñecelos, entrou unha mañá no estudio dicindo que acababa de mercar unha casa e quería rehabilitala, para ela e a súa familia. A vivenda atopábase no barrio da Choupana de Santiago, antiga colonia de "casas baratas". Na reforma mantiveron a imaxe ao exterior, como lles exixía o concello, respectando a identidade do barrio, pero abriron novos ocos cara ao patio. Desde este faise a nova entrada, máis abaixo, así gañábase unha planta máis. Na nova casa conviven tres xeracións, con cadanseu espazo: os avós en planta baixa, os netos na primeira e os fillos nese novo baixocuberta gañado. Para fomentar a relación entre todas as xeracións, a casa conta cun gran baleiro central ao que miran todas as estancias. Nesta casa pódense abrir xanelas cara a dentro e cara a fóra. As fiestras permítenlles aos residentes manter un diálogo xeracional de forma literal. Cinco anos despois de rematar a casa da Choupana entrou no estudio unha parella que mercara a casa veciña e quería algo igual, así naceu a Choupana 2.0. Como Álvaro e Alfonso cren firmemente en que cada vivenda debe reflexar os seus donos, non puideron compracelos. A situación era diferente: unha parella nova con fillos e outra forma de vivir. Querían uns dormitorios mínimos e que a vida se fixese nas diferentes zonas de uso común: salón, comedor, sala de xogos e estudios para pais e fillos. Como na primeira, baixaron a altura do patio para gañar media planta. A diferenza da outra vivenda, este xesto quebra a casa en medias plantas. Así, favorecen unha relación fluída entre as diferentes pezas de convivencia. Ao exterior, de novo, mantiveron as fiestras cara á rúa e cara ao patio abriron novos ocos máis grandes para gañar luz. O que ía ser un estudio transformouse en cuarto, posto que medrou a familia durante o proceso. A casa foi recentemente galardoada polo colexio de arquitectos Non todos os clientes "saíron da rúa". Como todos os arquitectos, fixeron tamén casas para amigos. Este foi o caso dun coñecido seu, amante da natureza e do surf, que tiña unha parcela en Porto do Son. O lugar contaba cuns fermosos bancais de pedra e vistas sobre a ría. O cliente quería una casa con materiais tradicionais (pedra e madeira) e tamén buscaba formas convencionais. Algo similar ás casas veciñas, grandes volumes de forte impacto sobre a paisaxe. Os arquitectos convencérono, non sen perigar a súa amizade, de que a casa tiña que pasar desapercibida. Eses fermosos muros e vistas tan só precisaban dunha "tapa" para constituír unha casa. A "tapa" consiste nunha cuberta axardinada que fai que se integre no verde da parcela. Cara a atrás a casa revístese de madeira e o resto tan só é vidro, para desfrutar das vistas. Agora a vivenda non só é desfrutada polo amante do surf. O que ía ser un estudio transformouse en cuarto, posto que medrou a familia durante o proceso. A casa foi recentemente galardoada polo colexio de arquitectos. Nova vida Gozar da natureza era tamén a intención da clienta que mercara unha casa en ruínas nas ribeiras do río Sarela, en Santiago. Non necesitaba moito, tan só un lugar onde illarse do mundo. Buscaba un espazo co mínimo necesario para vivir e sen gastar moito diñeiro. A vivenda orixinal estaba moi deteriorada, polo que tivo que ser reconstruída, pero con madeira. Así, a casa transformouse nunha cabana no bosque. Conta cun interior moi austero, posto que o importante é desfrutar do exterior, da natureza. Outra actuación nunha ruína foi a intervención para a Consellaría de Turismo no concello de Lousame. Tratábase de rehabilitar unhas vivendas pertencentes ao poboado mineiro de San Finx e transformalas en restaurante. Ao visitar o lugar os arquitectos atopáronse cuns muros de pedra e un gran baleiro interior iluminado cos ocos da fachada, ese espazo conmoveunos. A intervención consistiu en manter o gran baleiro cun orzamento moi axustado. Mantiveron os muros como os atoparon e construíron o resto cunha lámina de formigón que se pregaba e facía todos os elementos interiores. Mesmo a barra do bar está feita deste material. No serán, a luz segue entrando polas fiestras e ilumina o baleiro que mantiveron, e que os emocionou a primeira vez que visitaron as vivendas do poboado.
NOS_37433
No noso país hai catalogados uns 900 pazos.
Un total de 260 pazos atópanse actualmente en venda na Galiza, o que supón 60 máis que hai un ano, segundo un informe da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), cunha variación no prezo que vai desde os 180.000 euros até os 5,5 millóns. O Pazo de Tor, en Monforte, torna en residencia e lugar de creación artística Así, Fegein sinala que na Galiza hai uns 900 pazos catalogados no Inventario Xeral de Patrimonio, dos cales algo menos dun terzo están en venda, a maior cifra desde que se computan datos. Respecto diso, explica que moitos destes pazos non se anuncian, senón que están na carteira de clientes de consultores inmobiliarios ou despachos de avogados, sobre todo en Madrid. Formalizáronse máis dunha ducia de transaccións en 2021 e 2022, despois de non computarse ningunha en 2020. Literatura e filosofía centrarán as residencias do Pazo Mariñán Os máis buscados son os que están na zona da Ribeira Sacra e os da costa galega. Algúns dos exemplos de pazos que si están anunciados son un pazo en Baralla, cun prezo de 195.000 euros, e varios en Sanxenxo e Moraña, que alcanzan os 3 millóns de euros. Fegein destaca que o pazo galego máis antigo está situado no municipio de Zas, e o "máis grande e impoñente" é o de Sober, cos seus 4.000 metros cadrados. Axudas por ser BIC O presidente de Fegein, Benito Iglesias, reclama axudas especiais para a conservación e mantemento destes inmóbeis, ao tratarse na súa maioría de Bens de Interese Cultural (BIC). O Concello de Sada volve urxir a modificación do BIC do Pazo de Meirás para salvagardar o seu patrimonio Esta entidade apunta que "os pazos BIC son un problema burocrático, fiscal e económico demasiado pesado para a maioría dos seus propietarios e sobre todo herdeiros, xa que moitas das súas titularidades xa están en segundas ou terceiras xeracións, coa dificultade a maiores que isto representa para a súa comercialización e rehabilitación" debido ao seu estado "deficiente".
NOS_33243
A gran prioridade do novo Executivo comunitario será, segundo a súa presidenta, a transición enerxética e a loita contra o quecemento global.
A nova Comisión Europea, coa conservadora Ursula von der Leyen á fronte, botou a andar este domingo, 1 de decembro -aniversario do Tratado de Lisboa-, con 26 comisarias e comisarios ao seu cargo (Reino Unido, en pleno proceso do Brexit, non cumpre coa obriga de presentar un representante). O Executivo comunitario, o máis paritario da historia con 12 mulleres, arrinca cun mes de atraso, logo de os candidatos iniciais presentados por Francia, Rumanía e Hungría non recibiren o visto bo da Eurocámara. Do total de membros, tan só repiten oito dos integrantes da Comisión de Jean-Claude Juncker. A nova presidenta da Comisión e o seu Colexio de Comisarios conseguiron o pasado 27 de novembro o aval da Eurocámara grazas ao pacto alcanzado previamente polos tres grandes grupos: conservadores, socialistas e liberais. Von der Leyen contará con oito vicepresidencias, entre as que está a do ex ministro español Josep Borrell, que ocupará o cargo de alto representante para asuntos exteriores e política de seguridade, unha vicepresidencia que, porén, carece de poder executivo. «Protección do clima» A gran prioridade da nova comisión será a transición enerxética e a loita contra o quecemento global. «Protexer o noso clima é un tema existencial para Europa e para o mundo», declarou unha Von der Leyen que se comprometeu a pór en marcha un proxecto neste sentido no prazo de cen días. Curiosamente, Von der Leyen estrearase no cargo, no seu primeiro día hábil de exercicio, na apertura da Conferencia de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP25) en Madrid.
NOS_7928
Mariñeir@s galeg@s que faenaban en Mauritania concentráronse na Coruña aproveitando unha xuntanza da conselleira de Mar, o ministro de Pesca e a comisaria europea de Pesca. Ningunha das tres persoas quixo ouvir as súas demandas, a pesar de levar xa catro meses coa frota amarrada
Mariñeir@s galeg@s da frota cefalopodeira que faenaban no caladoiro de Mauritania transladáronse até A Coruña para reclamaren o cobro das axudas prometidas pola Xunta tras o cese da actividade e demandar un novo acordo pesqueiro perante a conselleira do Mar, Rosa Quintana, o ministro de Pesca, Miguel Arias Cañete, e a comisaria europea de Pesca, María Damanaki, concentrad@s na cidade herculina cadrando cunha Conferencia internacional de acuicultura. Porén, ningunha das tres persoas con responsabilidades na materia quixeron manter un encontro na procura dunha solución que garanta a continuidade da flota. A pesca galega, a que máis perdeu após a entrada na UEDenunciouno CIG-Mar nun comunicado en que denuncian a "lamentábel" actuación desenvolvida pol@s altos cargos, pois "escaparon" pola porta de atrás do hotel en que se realizaba a xuntanza "sen querer dar a cara" perante @s afectad@s, que levaban cinco horas agardando para poderlles transladar a problemática denunciada após catro meses de mobilizacións. Diante do elevado despregamento de axentes da policía española, que a central nacionalista cifra en 50, todo facía pensar que abandonarían o edificio pola porta principal. "Por moito que prometese o PP durante a campaña electoral, a verdade é que non se pagou nin un só euro das axudas", denunciou o responsábel de Mar no sindicato, Xabier Aboi, quen demandou ao goberno español e á UE que senten a negociar "un acordo xusto" que permita á frota galega volver a Mauritania, dubidando da palabra da comisaria de Pesca de artellar un novo pacto o ano que vén que inclúa @s mariñeir@s galeg@s, pretendendo así que a frota fique doce meses amarrada. Lembrou Aboi que a pesca galega "foi a que perdeu máis peso desde a entrada na UE" en 1986, pois "nunca foi defendida politicamente".
PRAZA_1106
Os traballadores e traballadoras galegas das contratas da compañía levan un mes de folga indefinida en protesta pola precarización das súas condicións laborais. A CIG reclama a mediación do Goberno galego, ao que acusan de "ignorar a lei" e de poñerse "do lado" da empresa.
Os traballadores e traballadoras galegas das contratas de Movistar-Telefónica están a piques de superar o primeiro mes de folga indefinida (noutros territorios do Estado hai persoal que leva case 40 días). Protestan pola precarización das súas condicións laborais. A pesar da importancia deste paro, que está tendo efectos moi visibles no servizo de telefonía, internet e televisión que ofrece a compañía (e tamén nos doutras empresas que operan a través da liña de Telefónica), a Xunta de Galicia permanece muda ante o conflito e nin sequera iniciou o proceso para fomentar unha mediación a través da Consellaría de Traballo. Nos case trinta días dende o inicio do paro en Galicia (o 14 de abril) houbo varios milleiros de incidencias técnicas que quedaron sen atender, tanto avarías coma un número moi elevados de altas que van sendo adiadas. Antolín Alcántara (CIG) denuncia que o Goberno galego está "ignorando a lei", e sinala que "tanto a Consellería como a Xunta están claramente de parte de Telefónica, por iso seguen sen actuar" Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, denuncia que o Goberno galego está "ignorando a lei", e sinala que "tanto a Consellería como a Xunta están claramente de parte de Telefónica, por iso seguen sen actuar". Alcántara responsabiliza da situación creada á actitude da compañía, sinalando que a folga é consecuencia de que Telefónica decidise "apretar aínda máis" ás contratas para que estas fixesen o mesmo cos seus traballadores. "O noso traballo esixe desprazarnos por toda a provincia con xornadas de 11 e 12 horas diarias, tamén sábados. Con todo isto non cobramos o salario legal do convenio" "O noso traballo esixe desprazarnos por toda a provincia con xornadas de 11 e 12 horas diarias, tamén sábados. Con todo isto non cobramos o salario legal do convenio. A maiores temos que pagar o gasóleo e as comidas", destacan os representantes do persoal en folga. "As empresas fan trampas nas nosas nóminas, descontándonos diñeiro do salario como anticipos que non cobramos. Cando un mes non alcanzas a produción mínima, por culpa dos desprazamentos ou moitas avarías, que non son responsabilidade nosa, descóntannos esta cantidade nos meses seguintes", engaden, lembrando que "Telefónica tivo uns beneficios próximos aos 4.000 millóns de euros o ano pasado, pero explotan de xeito indecente aos que facemos o seu traballo". Demandan que se cumpran os convenios, a limitación da subcontratación en cadea ou o recoñecemento do dereito á subrogación do persoal. Trátase dun sector altamente precarizado, en boa medida pola fragmentación do mesmo, dándose situacións de ata tres niveis de subcontratación para un único contrato coa empresa principal. De feito, dende a propia Telefónica foméntase a competencia entre as contratas, así como a incorporación dos seus extraballadores e extraballadoras (cesados e cesadas nos sucesivos EREs de Telefónica) a esta cadea de subcontratación como autónomos e autónomas, ou a través de pequenas sociedades de nova creación. Nas catro semanas de que dura xa o conflito en Galicia producíronse ademais varias denuncias por vulneracións do dereito de folga Nas catro semanas de que dura xa o conflito en Galicia producíronse ademais varias denuncias por vulneracións do dereito de folga. Por exemplo, en Vigo reclamouse ante a Inspección de Traballo unha "actuación contundente" contra Movistar-Telefónica por substituír os empregados das subcontratas en folga con persoal propio. "Entendemos que se está tratando de boicotear unha folga legal das contratas e subcontratas o cal contravén a lexislación laboral e viola un dereito fundamental como o de folga", engadiron os representantes sindicais. Tamén na Coruña denunciouse que a compañía enviara persoal de Montelnor (unha das contratas) a facer servizos de reparación nunha zona que corresponde a Liteyca (outra das empresas que traballa para a multinacional), por estar os traballadores desta última en folga. Os traballadores e traballadoras continúan co seu calendario de mobilizacións e o xoves desenvolverán protestas en Vigo e na Coruña e o venres trasladaranse a Santiago para concentrarse diante da Consellería de Traballo. Para apoiar o persoal en folga, a CIG puxo en marcha unha campaña de solidariedade Fondo Contratas Movistar Galiza, a través da venda de bonos-axuda e da apertura dun número de conta no que ingresar cartos destinados aos e ás folguistas. Os sindicatos denuncian "silencio informativo" e buscan fendas na rede A CIG amósase moi crítica coa actitude mantida neste conflito por UGT e CC.OO., que nun primeiro momento rexeitaron a folga, para despois realizar paros de dous días á semana que paralizaron para abrir unha mesa de negociación en Madrid que non é recoñecida pola CIG e tampouco por AST, CGT e Co.Bas, os sindicatos que iniciaron os primeiros paros en todo o Estado, hai xa 40 días. A CGT vén denunciando o "silencio informativo" aplicado sobre este importante conflito laboral na meirande parte dos xornais e na totalidade das canles de televisión e radio A CGT vén denunciando, así mesmo, o "silencio informativo" aplicado sobre este importante conflito laboral na meirande parte dos xornais e na totalidade das canles de televisión e radio, unha situación que explican polo importante peso accionarial e publicitario da empresa na meirande parte dos grandes grupos de comunicación en España. Esta realidade obrigou os e as traballadoras en folga a buscar novas vías para difundir a súa situación e chegar á opinión pública. E Internet e as redes sociais acadaron un papel protagonista. A Coordinadora de Informática da CGT salienta a este respecto que "a folga de Movistar é histórica por múltiples motivos; o principal é a unión producida entre milleiros de falsos autónomos e traballadores de subcontratas contra as condicións de escravitude que creou Telefónica-Movistar" e que, a este respecto, "unha coordinación operativa sumamente eficaz e distribuída, apoiada nun uso moi intelixente de sistemas de mensaxería como whatsapp fixo posible que o funcionamiento fora asembleario e á vez extremadamente áxil e reactivo aos acontecmentos. O comité de folga levou sempre a iniciativa". Destacan igualmente a "compoñente social" deste paro, que sitúan como un modelo "sindicalismo ofensivo no século XXI". "Non estamos ante unha mobilización pechada ou puramente laboral, senón que contou coa implicación activa de moitos colectivos e movementos sociais que lle deron un plus de potencia", engaden. A Coordinadora de Informática da CGT destaca a unión "histórica" producida entre milleiros de falsos autónomos, a súa coordinación a través das novas tecnoloxías e a "compoñente social" da folga A CGT destaca a intensa actividade das persoas e colectivos que apoian a folga a través de twitter (empregando hashtags de referencia como #ResistenciaMovistar ou #OccupyMovistar), que conseguíu abrir unha fenda comunicativa. Tamén salienta a creación e circulación masiva de vídeos, mensaxes e imaxes que se fixeron virais, e que serviron tanto para comunicar as demandas dos e das folguistas, como para desmentir as visións da empresa ou dos sindicatos CC.OO. ou UGT. Unha situación produto da privatización Dende o proceso privatizador dos anos 90, iniciado polo PSOE e completado polo PP, Telefónica perdeu máis de 50.000 postos de traballo directos por prexubilacións, ERE e pola desviación destes empregos cara a contratas e subcontratas, que se encargan de facer o mesmo traballo por menos prezo, e que á súa vez incentivaron que moitos dos seus traballadores se convertesen en falsos autónomos. Empresas coma Montelnor ou Liteyca son só algunhas das moitas que en todo o Estado se encargan das funcións técnicas, de instalacións e solución de avarías, da compañías. Mentres que os empregados directos de Telefónica teñen un convenio de empresa, cun salario bruto mínimo de 2008 euros, os de contratas e subcontratas se acollen ao convenio do metal, de ámbito provincial e con distintas condicións en cada caso.
PRAZA_9391
Na Galicia da saída da recesión cando a economía en xeral xa medraba con vigor, as rendas dos fogares facíano a un ritmo de apenas un 1%. O gasto das familias galegas medra máis que a súa renda e esta diferenza fai diminuír o aforro
Só os salarios máis altos seguiron subindo durante a crise. Cando os medios e baixos comezaron a recuperarse fixérono levemente e menos que os prezos. Todo, cun maior peso da temporalidade no mercado laboral e no medio dunha profunda crise demográfica. É o cadro xeral da Galicia da saída da recesión económica iniciada nos tempos da caída de Lehman Brothers e ten, entre as súas consecuencias, que o crecemento xeral da economía vaia moi por diante do que medran as rendas dos fogares. Concretamente, 2,8 veces máis.Na Galicia da saída da recesión cando a economía en xeral xa medraba con vigor, as rendas dos fogares facíano a un ritmo de apenas un 1%O Instituto Galego de Estatística vén de debullar as contas dos fogares galegos ata o ano 2016, cando a recesión económica xa finalizara. Isto é, cando o Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia xa volvía medrar con vigor, por riba do 3% e cando en numerosos discursos públicos se aludía abertamente da chegada da recuperación ás familias. E, efectivamente, esa recuperación chegaba no sentido de que a renda xa crecía -sempre en termos medios-, pero moito menos que a economía xeral.A renda bruta dos fogares galegos era de algo máis de 38.000 millóns de euros en 2016, cuarto ano consecutivo no que a súa evolución interanual foi positiva. Ese crecemento regresou en 2013, precisamente o último ano no que a renda dos fogares crece ao mesmo ritmo que o conxunto da economía. Cando o PIB tiña cifras negativas, explica o IGE, a renda dos fogares tiña "un mellor comportamento relativo", decrecía menos, "polo efecto redistribuidor das prestacións sociais". O último dato dispoñible é elocuente: o PIB medraba en 2016 case a un ritmo do 4% interanual e a renda dos fogares, apenas a un 1%.As prestacións sociais, dende as pensións de xubilación ás de desemprego, están por tras do crecemento nos primeiros anos da fin da recesión, como o 2015, detalla o IGE. No entanto, en 2016 nese medre tiveron un maior peso aos salarios e outros rendementos semellantes.O gasto das familias galegas medra máis que a súa renda e esta diferenza fai diminuír o aforroNeste contexto de diferenza de crecemento entre a economía xeral e a economía familiar prodúcese tamén outro fenómeno relevante: o gasto das familias medra máis que a súa renda. Concretamente, detalla o IGE, "o gasto en consumo dos fogares medrou un 1,9%" no ano analizado, seis décimas máis do que creceu o diñeiro que manexan. "Como resultado, temos unha diminución do aforro".Aínda que o papel dos salarios e outras rendas é relevante é tende á alza tras os anos da crise, a oficina estatística galega tamén se fixa no impacto económico que seguen a ter as denominadas "transferencias sociais en especie", isto é, os servizos como sanidade e educación que os fogares reciben de xeito gratuíto ou "a prezos non significativos" porque son financiados polos impostos. O peso económico destas prestacións chegaba en 2016 aos 8.244 millóns de euros, case 200 máis que en 2015. O estudo recolle tamén, non obstante, a súa diminución durante a recesión económica.