ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_8509 | Durante días, Santiago de Compostela foi a capital mundial da música grazas ao Womex, que rematou este domingo coa entrega dos premios. A antillana Calipso Rose foi recoñecida como mellor artista. | A entrega de premios puxo o broche de ouro ao Womex 2016, que converteu Compostela no epicentro das músicas do mundo. Calypso Rose, de Trinidade e Tobago, recolleu o galardón a mellor artista, mentres que Glitterbeat Records se alzaba co premio ao mellor selo e o colombiano Henry Arteaga era recoñecido co premio á excelencia profesional. Calypso Rose, que foi definida como unha loitadora cultural a favor do mundo, pediu, emocionada e após ser recibida cunha grande ovación, que a xente "siga cantando e bailando as miñas cancións todos xuntos". Aliás, desde o escenario, lembrou a súa colaboración con Manu Chao para o seu último disco, Far from home. Ao recoller o premio á excelencia profesional, Henry Arteaga, rapeiro, MC e líder da banda Crew peligrosos, dixo que sentía vergoña de que en Colombia se diga que se cre na paz "mentres se practcia a guerra". "Falar da paz desde a guerra é un costume herdado desde a conquista", denunciou o rapeiro, que tamén puxo en marcha a 4Elementos Sckuela en Medellín, unha escola artística para as persoas máis desfavorecidas. A cidade polaca de Katowice, na rexión de Silesia, recolle o testemuño de Compostela para acoller o próximo Womex, que terá lugar en outubro de 2017. A capital galega é a única cidade repetida como sede nestas 22 edicións desta feira das músicas. O seu director, Ben Mandelson, salientaba o domingo que Compostela vive intensamente, na rúa e nos locais, a música do país. |
NOS_4273 | Así o decidiu a Comisión disciplinaria da cadea de Logroño en que permanece arrestado desde 2009. Segundo institucións penitenciarias, o de Helgóibar tería cometido unha falta grave e outra leve pola súa participación a través dunha gravación, no acto pola independencia celebrado no BEC de Barakaldo o pasado mes de outubro. | Doce días de incomunicación na cela e tres sen dereito a paseo para Arnaldo Otegi. Así o anunciou este domingo a Comisión disciplinaria da cadea de Logroño. Segundo as autoridades da penitenciaría, Otegi tería incorrido nunha falta "moi grave" por ter difundido información "de seguridade e boa orde", aliás, acúsano de cometer unha outra falta, desta volta leve, por alternar "de maneira fraudulenta" as súas comunicacións. As sancións, prodúcense após serenlle restrinxidas de maneira cautelar as visitas a partir da súa participación nun acto político organizado pola alianza EH Bildu durante a pasada campaña. Arnaldo Otegi, interviu nun momento da xornada, celebrada no BEC de Barakaldo, a través dunha gravación en que alentaba a continuar adiante co proceso de paz e a prol da autodeterminación do pobo vasco. O ditame da Comisión disciplinaria non se tería feito efectivo até o de agora, pois a defensa de Otegi teria interposto un recurso perante a Audiencia Nacional. Neste senso, o xuíz, José Luís Castro, non tería un prazo pre-fixado para adoptar unha posición ao respecto. |
NOS_31981 | A cidade olívica acolle a XIV edición da Copa Galiza da modalidade. | A ximnasia acrobática -tamén coñecida como acrosport- pode que sexa menos coñecida entre o gran público que a artística e a rítmica, pero non por iso deixa de ser unha disciplina visualmente espectacular na que as súas practicantes poñen a proba a súa axilidade, coordinación, forza, resistencia e velocidade para desenvolver unha serie de rutinas que se estenden -polo xeral- durante 120 segundos e nas que as pirámides humanas de distintas formas que elaboran as deportistas nunca deixan de sorprender. A afección galega terá a oportunidade de vivir en primeira persoa a experiencia desta modalidade desde mañá e até o vindeiro domingo 27 de maio no histórico Complexo Municipal das Travesas da cidade olívica co gallo da disputa da primeira edición do Trofeo Cidade de Vigo, proba que ademais adquire a condición de Copa Galiza absoluta e de base. O certame distribuirase en parellas masculinas, parellas femininas, parellas mixtas, grupos femininos (tríos) e grupos masculinos (cuartetos) que realizarán tres tipos de exercicios diferentes segundo a súa idade: estático -ou equilibrio-, onde a atención esta centrada na forza, o equilibrio e a axilidade; dinámico, que inclúe lanzamentos, saltos mortais e capturas; e combinado, que axunta elementos de ambos os anteriores. Catro xornadas de intensa actividade na cidade olívica A Federación Galega de Ximnasia (FGX) informa de que tanto na xornada de mañá como na da sexta feira, 25 de marzo, desenvolveranse uns adestramentos oficiais nos que calibrarán o seu estado os 19 clubs participantes, procedentes de todos os recunchos do país e mesmo de Portugal, casos do Sporting Club de Portugal, o Boavista Futebol Club, o Acrogym Club de Coimbra ou o Guimagym CG de Guimarães. A competición comezará oficialmente unha vez que rematen os mesmos, e máis concretamente ás 15.30 horas do 25 de marzo, estendéndose ao longo do 26 -a partir das 15.50 horas- e do día 27 en xornada de mañá, concretamente desde as 9.25 horas. Marta Bobo, a pioneira olímpica A da ximnasia é unha disciplina que se elevou até os altares do podio da historia deportiva galega en 1984 da man de Marta Bobo, que tornou na primeira muller do país en disputar uns Xogos Olímpicos 64 anos e 11 edicións despois de que os futbolistas Moncho Gil, Ramón González e Luís Otero abriran en Amberes 1920 tanto o contador da representación da Galiza na proba como o das medallas, coa prata lograda en fútbol. Nada no ano 1966, con tan só tres lustros de vida ás súas costas estreouse nas grandes citas no Mundial de Múnic 1981, mesmo ano no que colga do pescozo o seu primeiro ouro no Estatal, manténdose a un gran nivel até 1984 nun trienio no que conquistou outro Campionato de España e participou noutros dous mundiais, meténdose na gran final dos exercicios de aro e pelota. Os Xogos Olímpicos dos Ánxeles, nos que finalizou en novena posición, foron o canto de cisne da súa carreira na elite, mais a pesar da súa ausencia en Seul '88 as mulleres galegas non volveron faltar a unha cita olímpica desde os Xogos de Barcelona '92. |
NOS_18650 | Entroido 2020 na Galiza: coñece as datas do entroido na Galiza e descobre os mellores días do entroido galego para desfrutar desta festividade tan sinalada no calendario | Datas clave do Entroido 2020 na Galiza: boa parte dos galegos e galegas xa pensan na seguinte festa grande unha vez superado o Nadal. E esa festa non é outra que o Entroido. As comarcas de Ourense son sen dúbida o epicentro da celebración desta festa, aínda que poucos puntos da xeografía galega resístense a gozar dunha festa desinhibida, chea de cor e de ritmo. Entroido, antroido ou carnaval? Descobre o que recolle a Real Academia Galega sobre o nome desta festa en Galiza Pero para aproveitar cada unha das oportunidades de troula que deixa o entroido, é importante ter claras as citas máis importantes, dese modo ningunha quedará sen coñecelas. Tampouco está mal ter claro cales son aqueles entroidos que non debes perderte. Para axudarte a organizar a túa axenda de festeiro, recompilamos as datas chave do calendario do Entroido 2020 na Galiza. 1.- Entroidos galegos de Interese Turístico2.- Datas clave do entroido 2020 na Galiza3.- Entroido Galiza 2020: Unha das principais festas do ano O disfrace, ao gusto, pero sempre obrigatorio Para poder celebrar o entroido como é debido convén ir desfrazado... do que sexa! Aquí o que se valora é o espírito participativo e as ganas de divertirse. Sen disfrace un corre o risco de sufrir uns golpes de fusta; de que lle boten fariña ou formigas vivas; ou de ter que convidar a unha rolda de viños. É a lei. Entroido en Galiza: A mascarada galega chega a Bulgaria da man do entroido de Samede Entroidos galegos de Interese Turístico Na Galiza temos nove entroidos que teñen recoñecemento de interese turístico: Un é Festa de Interese Turístico Internacional: o Entroido de Xinzo de Limia (coas pantallas) Outro é Festa de Interese Turístico Nacional: o Entroido de Verín (cos cigarróns). Sete delas teñen o recoñecemento de Festas de Galicia de Interese Turístico: Entroido de Cobres (coas Madamas e os Galáns) Entroido de Laza (co seu Peliqueiros) Entroido de Viana do Bolo (no que o persoaxe central é o Boteiro e que comparte protagonismo coa promoción do produto gastronómico da androlla) Folión Tradicional do Entroido de Manzaneda (coas máscaras) Xenerais do Ulla Entroido de Maceda (cos Felos) Entroido de Vilariño de Conso (co Boteiro como persoaxe estrela). Descobre o entroido galego: Un estudo sobre o entroido ourensán, premio Risco de ciencias sociais Datas clave do entroido 2020 na Galiza O entroido é unha das celebracións máis esperadas do ano. Este ano 2020, o calendario de entroido galego sitúase da seguinte maneira: Venres día 21 de Febreiro Datas sinaladas -- Do 22 ata ó 25 de febreiro. O días 22 e 23 de Febreiro, celébrase o Sábado e o Domingo de Entroido respectivamente. O Sábado de Entroido é o día que máis xente reúne por las rúas para celebrar estas festas, é que nalgunha localidade hai unha festa especial para esta data. 24 de Febreiro é Luns de entroido 25 de Febreiro, Martes de entroido, día que marca o fin dá celebración desta festa. Ainda así, falta falar dó Mércores de Cinza, que este ano celébrase o 26 de Febreiro, có "Enterro da Sardiña". Datas oficiais do Entroido galego 2020 Vamos de seguido, coas datas oficiais, que marcarán este Entroido 2020: 22 de Febreiro, Sábado de Entroido 23 de Febreiro, Domingo de Entroido 24 de Febreiro, Luns de Entroido 25 de Febreiro, Martes de Entroido (Festivo nalgunhas localidades) 26 de Febreiro, Mércores de Cinza O entroido, cita chave do calendario festivo: A infinita riqueza do entroido galego Entroido Galiza 2020: Unha das principais festas do ano As celebracións do entroido ao longo da Galiza datan dó século XVIII e son das mais tradicionais e famosas da península. Galiza foi unha dás poucas comunidades onde esta festa, continuouse a celebrar nas épocas da súa prohibición. O entroido galego non defrauda a ninguén, pois ademáis de ser un dos mais festeiros, o elemento gastronómico tamén ten moito que decir, con destacados pratos e postres típicos da época. Se falamos na anterior pasaxe sobre o período de duración e as datas relacionadas co entroido, nada ten que ver o que imos contar de seguido sobre o entroido máis longo da Galiza. O entroido máis longo da Galiza, en Ourense Tes pensado moverte en coche no entroido? Descobre os radares da DXT en Galiza Entroido en Xinzo de Limia O entroido dura un mes na localidade de Xinzo de Limia, sendo o máis longo de todos. Tanto en Xinzo como na localidade veciña de Verín, estas son festas recoñecidas de Interese Turístico Nacional. 1 de Febreiro Comeza en Xinzo de Limia o entroido có Sábado do Petardazo, que celébrase na Plaza cara as doce dá noite, cunha conta atrás, dada polo reloxo dó concello. 2 de Febreiro Ten lugar unha das festas máis coñecidas, chamada "Domingo Fareleiro", que é a gran festa dá Farelada. Sábado 8 de Febreiro "Colgamento do Meco" é unha celebración que consiste en colocar un Meco ná Plaza Maior, Domingo 9 de Febreiro Domingo Oleiro, unha festa que consiste en pasarse olas de barro, duns a outros. Se a ola se lle cae a alguén, este deberá pagar unha ronda de viños. As olas están cheas de fariña ou auga. Tamén existe o Oleiro Infantil, coa saída ás 12:30 dó Museo Galego do Entroido e a chegada as 13:00 horas á Praza Maior. A seguinte fin de semana, chega có Sábado corredoiro ou noite fémina o día 15 de Febreiro, que son ceas colectivas de mulleres, sen a presencia de homes, que deberán disfrazarse de mulleres para sairen da casa. 16 de Febreiro Domingo Corredoiro, o primer domingo no que as Pantallas saen a rúa. 26 de febreiro Culmina o entroido có enterro da Sardiña, unha procesión para despedir estos festexos. 1 de Marzo Celébrase un desfile de carrozas e comparsas para dar por rematado o Entroido. O entroido en Galiza case sempre coincide co frío. Descobre os 5 pratos tradicionais galegos para combatir o inverno Entroido en Verín En Verín son os cigarróns, as persoaxes que da mesma forma que as pantallas, dás que falamos antes, perseguen os veciños de Verín. Os festexos comenzan o Xoves de Compadres, destacamos o Sábado e o Domingo de Corredoira, o Xoves de Comadres, Venres de Compadreo, e o Sábado o día dó "Bautizo dó Cigarrón". O Domingo de Entroido, o día forte, celébrase o desfile para rematar có Luns Fareleiro e o Martes de entroido. Pero aínda non será ata o último fin de semana cando todo remate en Verín co Sábado e O Domingo de Piñata. O entroido, cómese: A gastronomía é sen dúbida un dos principais eventos a ter en conta nesta festa |
PRAZA_5357 | Velaí somentes unha parte da historia que ten a memoria do Parque de Galeras, en Compostela. Por iso ten que seguir sendo hoxe un ben de uso e titularidade públicos | Elas, as lavandeiras, foron donas do vento, da auga, da lixivia, da cinza e mais do xabrón, do clareo e o sol; mais tamen tiñan como compañía o frío, a neboa, a humidade, as frieiras, a tuberculose e as gripes; e mesmo os ósos feitos cristal de tanta forza e peso... Mais, mesmo así, baixaban e subían o Val de deus, ledas, cantareiras, para recoller a roupa no hospital da Praza do Obradoiro; facían do suxo brancura; as augas do Sarela depuraban tanto lixo como carretaban nos cestos, nas bañeiras de cinc en equilibrio perfecto co molido na cabeza. Naquel lavadoiro modernista de madeira partillaban penas, ledicias, bagoas, rexoubas..., e aportaban un xornal, sempre miserento, para facer da vida un espazo menos cheo de sofrimento. Velaí somentes unha parte da historia que ten a memoria do Parque de Galera, en Compostela, no seu herbal, nas suas augas, nas suas flores e árbores, ainda é posibel escoitar as cantigas das lavandeiras. Por iso ten que seguir sendo hoxe un ben de uso e titularidade públicos Cecais tamen, como outras mulleres de Galiza, nos anos terribles do 1936, o clareo e o secado da roupa eran mensaxes de vida e esperanza para os presos do franquismo no cuartel de Santa Isabel, mortos de fame, comestos polos bechos, a tortura e a dor da democracia e a liberdade afogadas en sangue. Velaí somentes unha parte da historia que ten a memoria do Parque de Galeras, en Compostela, no seu herbal, nas suas augas, nas suas flores e árbores, ainda é posibel escoitar as cantigas das lavandeiras. Por iso ten que seguir sendo hoxe un ben de uso e titularidade públicos. Para lecer da nenez, acobillo dos paxaros, disfrute das persoas que nel queiran andar, namorar ou soñar. E tamén, por toda esta memoria de vída que garda, a veciñanza loita e pelexa contra a sua privatizazón e destrucción... O que é patrimonio da humanidade debe preservar a sua calidade de público e a sua memoria de tantas vidas e soños. |
NOS_41499 | Un total de 1.300.000 euros é o orzamento que a Deputación da Coruña destina á Rede Cultural nunha nova edición que presenta novidades, como unha maior axilidade na tramitación e unha división clara entre o ámbito profesional e o amador. | A Rede é unha das principais ferramentas para a programación cultural, en especial, dos concellos pequenos e medianos. A convocatoria da Rede Cultural saíu publicada onte segunda feira día 9 de xaneiro no BOP, e o prazo para se inscribiren as compañías remata o 20 de xaneiro. Segundo a Deputación, nesta nova convocatoria da Rede Cultural "inclúense importantes novidades a respecto da anterior edición, en especial, unha máis clara diferenciación dos ámbitos profesionais e amador, como reclamaban as asociacións profesionais, e unha maior axilidade con importantes melloras para garantir a calidade do funcionamento". Desta maneira, a Rede Cultural inclúe tres programas diferenciados, dous dedicados ao ámbito profesional e outro a non profesional con perfís claros e novas denominacións. Destinados a concellos e dentro da categoría profesional preséntase "Escena ao Vivo" que agrupa a programación de música, danza, teatro e monicreques e "Visións", que promove a difusión de cinema e contidos audiovisuais para os concellos, tamén na categoría profesional. O terceiro programa, "Alicerce" agrupará os grupos de música, danza e teatro non profesionais destinados á programación en concellos e entidades. A Área de Cultura da Deputación destina un orzamento de 1.300.000 euros para dotar unha Rede Cultural que gaña tamén en axilidade cunha gran simplificación da tramitación, unha das demandas tanto de entidades como das asociacións representantes dos sectores profesionais de artes escénicas e audiovisuais. Na pasada edición subvencionáronse 1.425 solicitudes de espectáculos dos que 473 foron para entidades e 952 para concellos que optaron por programar 701 espectáculos profesionais e 251 non profesionais. Grazas á Rede Cultural daDeputación, programáronse nos concellos 183 concertos musicais, 208 espectáculos de teatro e títeres, 146 actuacións de danza e 164 funcións de cinema dentro do ámbito profesional. Os circuítos culturais da Deputación supoñen un espazo de programación xerador de públicos que, nesta nova edición, intensificarán a introdución de recollida de datos de control, elaboración de informes e seguimento da difusión realizada por concellos e entidades co fin de continuar na mellora do seu funcionamento. |
NOS_19642 | A Federación Galega de Fútbol informou en conversa con Sermos Galiza que o hino nacional galego non será interpretado ao completo, excepto novidades de última hora, debido a que "é demasiado tempo para ter a futbolistas profesionais parados". | O hino galego non se interpretará ao completo nos momentos previos ao partido da Irmandiña fronte a Venezuela. Dende a Federación Galega de Fútbol aluden á extensión do hino, de perto de tres minutos, como xustificación para que non soen as catro estrofas d'Os Pinos. Fogar de breogán será o último verso que retumbe en Riazor, con case total seguridade, ao igual que ocorreu tanto na ida como na volta do #onosoderbi, no feudo coruñés e en Balaídos. Por tanto, o hino será amputado e non se cantará o verso en que se alude a Galiza como nazón de Breogán. Nos partidos da anterior etapa da selección galega o hino fora reproducido na súa totalidade Este feito contrasta co protocolo levado a cabo nos partidos da anterior etapa da selección galega, disputados no ano 2006 e 2007, nos que o hino foi interpretado íntegro e sen cortes, cunha duración de tres minutos exactos. A versión que levamos ouvindo durante esta tempada nos terreos de xogo de fútbol profesional esquécese da segunda metade da peza, para rematar nun minuto e corenta segundos. A xustificación baséase na ralentización do salto ao terreo de xogo dos futbolistas e na suposta longa duración que podería demorar demasiado o ritmo da presentación do evento deportivo, sempre segundo a visión da Federación Galega. Interpretación Rosa Cedrón, ex vocalista de Luar na Lubre, será a encargada de interpretar o hino nacional galego na previa do encontro entre Galiza e Venezuela. A interpretación en directo será a nota positiva xunto cunha exhibición de futbol gaélico que oferecerán as seleccións feminina e masculina durante o descanso do encontro. Cortes no Básquet Coruña-Breogán O hino nacional tamén soou nos intres previos á disputa do derbi entre os dous equipos na fase de ascenso. Voltou ser a versión acurtada da peza a escollida para encabezar este outro evento. Un hino de dúas estrofas e de un minuto e corenta segundos de duración, rematado no verso fogar de Breogán. Mais no segundo partido da fase, disputado n'A Coruña, este último verso tamén fora omitido, co consecuente malestar e polémica entre os seareiros. Neste caso o corte, moito máis abrupto, foi atribuído pola entidade coruñesa á Federación Española de Baloncesto. |
PRAZA_19124 | Poderase votar por internet entre as 9 da mañá do sábado e as 9 da mañá do luns. Habilitáronse, ademais, unha ducia de locais para poder votar presencialmente. As 35 persoas integrantes do máximo órgano do partido sairán dos apoios que reciban as tres listas presentadas. | As inscritas e inscritas en En Marea están chamadas a elixir esta fin de semana o Consello das Mareas, máximo órgano do partido entre asembleas, e que escollerá ademais a Coordinadora da formación. As 35 persoas que formarán parte do Consello sairán dos apoios que reciban as tres listas presentadas: Máis Alá, encabezada por Luís Villares e que conta co apoio da maior parte das mareas municipalistas, de Podemos, Esquerda Unida e dunha parte de Anova; Somos Quen, encabezada por Davide Rodríguez co apoio doutra parte de Anova; e Queremos Participar, encabezada por Consuelo Martínez e vinculada a Cerna Poderase votar por internet entre as 9 da mañá do sábado e as 9 da mañá do luns. Habilitáronse, ademais, unha ducia de locais para poder votar presencialmente o sábado e o domingo, en horarios de 10 a 13.30 e de 17.00 a 19.30 Poderase votar por internet entre as 9 da mañá do sábado e as 9 da mañá do luns. Habilitáronse, ademais, unha ducia de locais para poder votar presencialmente o sábado e o domingo, en horarios de 10 a 13.30 e de 17.00 a 19.30. Ao longo do luns realizarase a proclamación provisional de resultados e abrirase un prazo de 48 horas para reclamacións. O mércores terá lugar a proclamación definitiva de resultados e das persoas integrantes do Consello das Mareas, que se se constituirá o sábado 28. Segundo as normas que rexen este proceso o Consello das Mareas estará formado por representantes das listas en función dos votos que recibisen mediante un sistema "proporcional puro" con "corrección de xénero", de xeito que a composición garanta a presenza de 18 mulleres e 17 homes. Ademais, segundo estas normas, a presenza de persoas con cargos institucionais non pode superar o 20% do total do organismo, que á súa vez elixirá os once membros da Coordinadora. Asi mesmo, as persoas que posúan a condición de membro do órgano executivo a nivel autonómico de dirección dunha organización política ou ocupen unha responsabilidade executiva na mesma, poderán concorrer ás eleccións ao Consello pero non poderán formar parte da Coordinadora Nacional. O Consello das Mareas estará formado por representantes das listas en función dos votos que recibisen mediante un sistema "proporcional puro" con "corrección de xénero" Somos quen e Queremos participar apostan por que a Villares sexa voceiro tamén no partido. Pola contra, Máis Alá -a lista encabezada por Villares- defende que haxa tres portavocías "que serán ocupadas por dúas mulleres e un home", e que estas non poderán ser ocupadas polos portavoces de En Marea no Parlamento de Galicia (o propio Villares) e no Congreso dos Deputados (rotatorio, neste momento Antón Gómez Reino). A lista Máis Alá inclúe tamén unha proposta de once nomes para a Coordinadora, na que figura Xosé Manuel Beiras, Victoria Esteban, Gladys Afonso, Iago Martínez, Noemi Ramos, Javier de Toledo, Sara Torreiro, Pedro Rivera, Ana Seijas, Rafael Dopico e Borja San Ramón. Listado de colexios electorais nas eleccións ao Consello das Mareas Horarios de votacións. 21 e 22 de xaneiro | De 10 a 13.30 | De 17.00 a 19.30 (onde non se indica outro día ou horario) Santiago de Compostela: Local de Compostela Aberta (Praza do Toural) Ferrol: Local de Ferrol en Común (Rúa da Madalena, 53) A Coruña: Local de Marea Atlántica. (Praza do Humor, 2) Noia: Cantón, 36 Betanzos: Rúa do Castro, 4-6. De 10.00 a 13.30 Lugo: Local de Lugonovo (Ronda da Muralla, 164) Ourense: Local de Ourense en Común. (Rúa Burgas, 8) Manzaneda: Aula Cémit. Escola de Manzaneda. De 17 a 19.30 Xinzo de Limia: Avda. De Ourense, 16. Local 2. Sábado, 21 de 10 a 13.30 O Carballiño: Local de En Marea. Rosalía de Castro, 4. De 9.30 a 12 | De 16 a 19 Vigo: Avda. Das Camelias, 85 Baiona: Laureano Salgado, 20. Local B. Enlace para a votación online |
NOS_44362 | A próxima será unha fin de semana ateigada de enquisas electorais. Mentres a precampaña entra nunha nova fase marcada pola evolución actual da pandemia, o PP segue lanzado en convencer por todos os medios o electorado de que non hai alternativa. Porén, o partido está aberto e calquera resultado é posíbel. | As empresas de sondaxes non dan tregua ás galegas e galegos. Aos clásicos traballos de Sondaxe súmanse estes días as enquisas de Gad 3, Sociométrica, Celeste, DYM, 40 DB, NC Report e Invimark. A maioría delas están promovidas por diversos grupos de comunicación que contratan habitualmente os seus traballos sociolóxicos a estas compañías. Porén as formacións políticas están realizando as súas propias sondaxes, nalgúns casos coas compañías xa citadas. Así, por exemplo, Gad 3, a consultora propiedade do analista de cabeceira do Partido Popular e de Pablo Casado, Narciso Michavila, deu a coñecer o seu primeiro traballo a pasada segunda feira nas páxinas do xornal ABC. A práctica totalidade das compañías aínda están en fase de recollida de datos e ningunha delas ten o seu estudo concluído de maneira definitivo. Segundo puido saber Nós Diario, en conversa con algunha das persoas que están traballando nas sondaxes, "o labor é moi complicado nesta ocasión porque as persoas entrevistadas expresan moitas dúbidas nas súas respostas, as súas contestacións son contraditorias, non deixan claro a súa participación electoral e a porcentaxe de voto declarado é moi baixo". Nesta liña, o membro dunha empresa con moita experiencia na Galiza recoñece que "os cambios de opinión dunha semana para outra son moi bruscos e prodúcense con moita rapidez". As dificultades para facer prognósticos electorais nesta conxuntura son maiores que nunca. As empresas recoñecen que teñen diante de si un escenario inédito e que carecen de marcos comparativos para extrapolar conclusións, se ben consideran que os contextos convulsos como o actual acostuman impugnar as pautas habituais de conduta electoral. Ao tempo, sinalan que cada día son máis as persoas que agardan á última semana de campaña para decidir o sentido do seu voto, tal e como vén acontecendo na práctica totalidade dos procesos electorais dos últimos anos. A mostra máis recente disto atópase nos comicios estatais de novembro de 2019, onde 30% das persoas decidiron o seu voto na derradeira semana e 10% nas últimas 48 horas. A fiabilidade das enquisas depende da capacidade para determinar a porcentaxe de participación. A totalidade dos traballos actualmente en elaboración apuntan a unha baixa importante da participación electoral, cuxo alcance vai estar determinado polo comportamento da pandemia, até o punto de ser moito maior da prevista en caso de rebrote. A este respecto, un directivo dunha empresa consultora recoñece que "a ausencia de aproximacións máis ou menos fiábeis aos índices de participación complican moito o noso traballo, ao impedirnos facer extrapolacións. Se non acertas nos datos de participación, a enquisa falla". Dúbidas sobre as enquisas As enquisas públicas e privadas son cada día máis cuestionadas desde diferentes sectores da opinión. Os fracasos certificados por moitas delas desde 2015 levan a pór en dúbida as súas auténticas motivacións, até o punto de considerar que as súas intencións reais responden a orientar o voto. Neste sentido, unha parte da politoloxía considera que as enquisas que chegan ao gran público a través dos medios de comunicación non pretenden facer unha radiografía do estado de opinión social, nin adiantar as tendencias que se van conformando entre as votantes a medida que se achegan os comicios, senón mobilizar o electorado coincidente coa súa liña editorial, desmobilizar aqueloutro que non é confesional e condicionar e influír no sentido de sufraxio das persoas indecisas. "As sondaxes convertéronse en armas de guerra electoral, dispostas a certificar, cunha pretendida neutralidade científica, os escenarios políticos que interesan aos grupos económicos, políticos ou mediáticos que as financian ou encargan", sinala a Nós Diario unha analista dunha empresa de consultaría política que observa con preocupación como "a maioría das enquisas que chegan ao gran público dimitiron da súa función como instrumentos destinados a recoller datos mediante unha mostra representativa, empregando os procedementos propios dunha investigación descritiva". As dúbidas sobre os estudos de opinión afectan aos elaborados desde os organismos públicos. As críticas recorrentes aos traballos do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) e á súa utilización partidista por parte do equipo de Goberno non son un fenómeno novo. Nestes momentos, o CIS traballa na preparación dunha sondaxe sobre as eleccións galegas, cunha mostra moi importante. |
PRAZA_20693 | ENTREVISTA | Este venres e sábado celébrase en Balarés (Ponteceso) unha nova edición do festival, encabezado por Love of Lesbian, La Habitación Roja, Los Planetas ou Él mató un policía motorizado, cos galegos Bifannah ou Os Amigos dos Músicos. Falamos co director do festival, David Jiménez. | O verán é tempo de festivais e esta fin de semana chega un moi especial. O venres e sábado celébrase na praia de Balarés (Ponteceso) o festival V de Valarés, que ano a ano gaña asistentes e notoriedade, cunha unha escolla moi coidada de bandas para un cartel de primeiro nivel e, ademais, grazas á fermosura natural do espazo no que se celebra. Love of Lesbian, La Habitación Roja, Los Planetas ou Él mató un policía motorizado encabezan o programa, no que tamén brillan Pablo und Destruktion, Captains, The New Raimon&McEnroe ou Los Punsetes. Coa presenza, ademais, dos galegos Bifannah, Os Amigos dos Músicos, Terbutalina, Stoyka ou The Phantom Dragsters. Falamos co director do festival, David Jiménez. Que ten V de Valarés que non teñen outros festivais? Nós temos un cabalo gañador, que é a contorna. Facer un festival neste espazo tan bonito do piñeiral, con estas dúas praias xera un pequeno ecosistema musical que creo que é invencible. Hai outros festivais que se celebran en zonas bastante chulas, pero eu levo 20 anos organizando concertos e eventos culturais e creo que non hai outro lugar como Balarés. O ano pasado Kula Shaker dixeron que nunca tocaran nun sitio tan bonito, e son un grupo que leva moitos anos actuando por todo o mundo. Como é o proceso de organización do festival? Supoño que levades practicamente un ano preparando esta fin de semana... Quitáchesme da boca a resposta. Efectivamente, o traballo de preparación do festival de 2018 comeza o 20 de agosto de 2017. É un traballo inxente. E seguramente a xente non é consciente de todo o traballo que hai detrás dun evento así. Ás veces parece que un festival xorde da nada, cando en realidade hai moita xente implicada, moito cariño, moita profesionalidade e moito esforzo. Tomades medidas para garantir o respecto ao medio ambiente e a protección deste espazo? Unha das razóns principais polas que facemos o festival é utilizar a música para difundir o coidado ao medio ambiente e a esta contorna. Algunha xente pensa que un concerto é coma o paso dos bárbaros de Atila, que os asistentes acaban con todo. Pero nos últimos anos estamos vendo que a xente que vén ao V de Valarés está moi concienciada, sempre hai ademais moitos voluntarios que se dedican a limpar a zona unha vez que remata todo. A xente que vén aquí decátase de que este é un sitio impresionante que paga a pena conservar. É o de 2017 o mellor cartel de V de Valarés dende que o festival botou a andar? Non me atrevería a dicir que é o mellor, si diría que está moi coidado e equilibrado. Quizais quedamos coas ganas de incluír algún grupo internacional de primeiro nivel, pero por razóns de dispoñibilidade das bandas que queríamos ou pola competencia de Paredes de Coura, non fomos quen de traelas. Temos dúas bandas de moito peso, como Love of Lesbian e Los Planetas, que arrastran a moitísima xente, pero sempre queremos traer outras propostas máis arriscadas, de bandas emerxentes, que pensamos que poden gustar moito á xente. Máis aló dos cabezas de cartel, que bandas recomendarías? Que grupos pode descubrir a xente? Eu, a nivel persoal, teño tres debilidades no cartel, a primeira Él mató un policía motorizado -unha banda con moito éxito en Arxentina e en toda Latinoamérica e que cada vez vai dar máis que falar en Europa-. E despois dúas bandas galegas: Bifannah e Os Amigos dos Músicos, que se en vez de ser de aquí fosen británicas, estarían na portada da NME. Precisamente Os Amigos dos Músicos é un dos grupos que actuará nun escenario de día, no propio piñeiral. Unha forma de que a música se goce durante as 24 horas? Nós queremos que o festival se desfrute durante todo o día. Moitas veces temos asociados os festivais de música a unha rave nocturna, pero nós queremos que o festival estenda o seu horario, que a xente poida pasalo ben polas mañás, ao mediodía, a primeira hora da tarde..., que son momentos moi bos para poder ver outro tipo de propostas artísticas sen ter que utilizar un grande escenario nin luces, que a música fale por si mesma sen necesitar de artificios. |
NOS_12462 | O PSOE descarta participar nun tripartito de esquerdas alternativo ao PNV | O proceso electoral vasco chega á súa primeira semana de campaña cos aparatos das diferentes formacións políticas preocupados por unha baixada da participación maior da agardada. Malia que o presidente vasco, Iñigo Urkullu, cando anunciaba a data electoral era consciente do risco que significaba chamar ás urnas nunhas circunstancias sanitarias como as actuais e en plena tempada de vacacións, a escasa concorrencia aos actos de campaña e a elevada abstención nas eleccións municipais en Francia están disparando todas as alarmas nas forzas políticas activas na contenda. O Partido Nacionalista Vasco (PNV) é a formación máis preocupada por unha caída da participación. Neste sentido, desde a dirección da organización temen que o inicio de vacacións de moitas familias, o medo ao coronavirus, particularmente na poboación maior, e os datos ofrecidos polas enquisas públicas poden xerar un inesperado furado nos seus resultados electorais, malia que as diferentes sondaxes lle outorgan unha cómoda vitoria electoral. Así as cousas, o PNV está botando man da súa ampla base social para favorecer a alza do voto por correo, que todos os analistas dan por feita. A campaña vasca continúa a ser un xogo entre as dúas formacións nacionalistas co resto das organizacións como actores secundarios. Nesta dialéctica, o PNV está poñendo o foco nun hipotético tripartito de esquerdas encabezado por Bildu e co apoio do PSOE e de Podemos, co obxectivo de evitar fugas do voto nacionalista pero tamén de concentrar o voto do electorado da dereita e da esquerda españolista temeroso dun goberno da esquerda nacionalista. O presidente do PNV, Andoni Ortúzar, no seu último mitin de campaña, cargou de novo contra esa posibilidade, sinalando que "mentres uns cantos andan enredando co chamado pacto de esquerdas, un eufemismo para agochar un pacto anti-PNV e mentres as dereitas españolas falan do seu, a nós só nos preocupa Euskadi porque Euskadi á a nosa única patria". A candidata socialista á presidencia, Idoia Mendía, tamén quixo marcar con distancias con eses tripartito. Así, nunha comparecencia pública decorrida onte, volveu disparar contra Bildu, sinalándoo como "o único partido que fica en todo o Parlamento Vasco que é incapaz de condenar o terrorismo de ETA" e afirmando que "non pode partillar Goberno con quen non condena o ataque á miña casa". |
NOS_6260 | A vindeira protagonista do "Teño unha peza", a charla que organiza cada mes o Museo do Pobo Galego por mor do seu 40 aniversario, é a xornalista Tareixa Navaza. | No 2017 o Museo do Pobo Galego vai cumprir 40 anos. Con este motivo botouse a andar un novo programa que chaman "Teño unha peza" seguindo a actual campaña de promoción "Teño un Museo". Trátase dunha charla na que un personaxe coñecido dá unha visión persoal, de maneira que a peza pode ser un motivo para a divagación, para falar do museo ou do seus intereses, pois non se trata dunha interpretación técnica senón dun achegamento dende a pesoa e a súa área vital. Xa participaron até o momento nesta actividade Suso de Toro, Pepe Carreiro, Encarna Otero, Jorge Mira ou Ses. E a protagonista de mañá terza feira (23 de maio, ás 19 horas) será a xornalista Tareixa Navaza, unha das facianas máis coñecidas da televisión galega. Foi ela quen retransmitiu a chegada dos restos de Castelao a Galiza lendo fragmentos de 'Sempre en Galiza' e un artigo de Novoneyra, e como consecuencia desta retransmisión foi destituído como director do centro territorial Alexandre Cribeiro. Ten colaborado en múltiples medios de comunicación galegos e foi voceira do movemento feminista en Galiza. Participou na fundación da Asociación Galega da Muller e da revista de pensamento feminista Andaina. |
QUEPASA_1018 | Todas as táboas de resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com. | Novo e intenso carrusel o vivido nesta tarde dominical de 17 de marzo en www.futboldacosta.com. Un domingo que tiña o ollo posto en Ara Solis, onde o Fisterra recibía ao Dumbría nun dos grandes derbis do noso fútbol. Gañou o caro fisterrán pero a xornada non se puido completar e o Sigüeiro venceu á Esteirana nos últimos compases mantendo os dous puntos de diferencia cos verdes. Baio e Soneira demostraron tamén a cara e a cruz da xornada na 1ª. Na Preferente, non fallou o Xallas na súa visita ao pechacancelas, sumando puntos vitais para seguir na loita por evitar o descenso. Mentres o Sofán, sumou un punto, que puideron ser 3, ante todo un Arzúa. A sorpresa da xornada, en Cerqueda A xornada da Liga da Costa tivo un importante resultado, en clave de relativa sorpresa (este Cerqueda ten demostrado que pode gañar a calquera), a derrota do Corme en Xaviña. Así, o Mazaricos, que non fallou ante o Buño, sitúase con 6 puntos de vantaxe, sobre o Corme, a falta de 6 xornandas, tendo aínda que enfrontarse no Pino do Val. Non aproveitou o Volantes (un Volantes que si quere ascender, e posiblemente aproveitaría as opcións do Corme de ir á Fase) o tropezo do Corme ao non pasar do empate co Malpica, nin o Ponteceso, que caía en Muros ante un Yanki que parece non ter perdido o acerto cara gol, dándolle puntos vitais ao cadro celeste na loita por evitar o descenso. Tan importantes foron os puntos do Zas, no debut de Barca, ante o Cee, que se mete en descenso directo trala vitoria do Montelouro en Verdillo. O Lira, que marchaba ao descanso 2-0, acabou sucumbindo ante o Muxía. Cabana ascende, e Coristanco campión Dúas novas imporantes na 3ª, coa ratificación do título do Coristanco e o ascenso confirmado do Cabana, tras vencer ao Corcubión. A falta de dúas xornadas, Castriz, Porteño e Outes teñen o Playoff asegurado, e Camariñas parte como gran favorito, con 3 puntos de vantaxe sobre Laxe e Castrelo. Importante xornada en Veteranos A División de Honra ferve con 3 equipos no máis alto. Zas e San Román non fallaban, mentres o Soneira non pasou do empate ante o Cabana e queda a 2 puntos. Por abaixo, o puntiño do Castriz pode ser importante antes as derrotas dos 3 que están en descenso. Na 2ª, o Mazaricos seegue gañando e está con 7 puntos de vantaxe sobre o 3º a 3 partidos do final. O Razo caía ante o Malpica e suma só 2 puntos de vantaxe co Corme, nesa importante segunda praza de descenso. O playoff está moi intenso, con Malpica, Sofán e Leiloio agora mesmo en postos, pero co Deportivo Carballo, Xornes e Fisterra a só 1 puntos. Máis información Todas as táboas de resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com. |
NOS_14346 | Pere Tobaruela, co texto, e Andrés Meixide, coa ilustración, atoparon a fórmula para enganchar a mocidade lectora cunha brigada moi especial: Os Formig4s. Levan seis obras coas aventuras de Formos4, Forx4n, Fornel4 e Form4il percorrendo primeiro o mundo e desde o anterior libro levando as súas aventuras até a Galiza. Após visitar o Camiño de Santiago chegan agora para salvagardar o legado e a propia vida de Rosalía de Castro. | Sorprendeulle o éxito de Formig4s? A colección protagonizada por esta simpática e intrépida brigada penso que, xa desde a primeira entrega, tiña todos os ingredientes para poder callar e chamar a atención da rapazada. E, sendo honesto, podo afirmar que os Formig4s conseguiron este propósito. Pero falar de éxito, non sei. Na literatura o éxito é por veces azaroso e eu só creo no traballo. Noutra orde de cousas, gustaríame apuntar que Formig4s é unha aposta por achegar a literatura en galego a todo tipo de lectoras e lectores, máis ou menos avanzados, para ao fin e ao cabo, intentar gañar lectorado para a nosa lingua. E isto coido que tamén o están a conseguir Fornel4, Forx4n, Form4il e Formos4, os catro integrantes da brigada. Oxalá sigan sumando. Iso será bo, sen dúbida. Que medre a nosa literatura axuda a consolidar e a expandir o uso da lingua galega. Con proxectos como este dos Formig4s, estou centrado niso. É o meu gran de área, unha maneira de agradecer a un país o ben que me recibiu. Como se formularon os personaxes protagonistas? O mundo onde se desenvolven as aventuras dos Formig4s é o noso mundo real, nin máis nin menos, debuxado polo miúdo e maxistralmente, e non exaxero, por Andrés Meixide, para min un dos grandes ilustradores galegos. O mundo onde se desenvolven as aventuras dos Formig4s é o noso mundo real Agora ben, este noso mundo "literario" ten unha peculiaridade: está habitado por insectos e os protagonistas principais son as formigas. Desde neno sempre tiven unha simpatía especial por estes animaliños. Xogaba con elas tempo e tempo. Para min era todo un divertimento. E agora xa forman parte de min no meu imaxinario literario. Limiteime a escoitalas e darlles voz. E mira ti por onde resulta que teñen moitas cousas que dicir. Son ben divertidas, saben de todo. E falan en galego! Como foi ese até entrar de cheo nun dos nosos referentes culturais como é Rosalía de Castro? Formig4s é un proxecto que naceu da necesidade e da vontade de intentar explicar o mundo á rapazada dunha maneira divertida e, por suposto, tamén formativa. Como digo eu cando vou polos centros de ensino: o primeiro é pasar un bo anaco lendo e, se cando rematades de ler a novela, aprendedes algo novo, mellor que mellor. O primeiro é pasar un bo anaco lendo e, se cando rematades de ler a novela, aprendedes algo novo, mellor que mellor Divertirse e aprender, un bo equipo. As cidades de París, Nova York, Barcelona e Toquio foron os primeiros mundos elixidos para dar a coñecer. Logo, xa no número cinco da serie, houbo un punto de inflexión e as aventuras dos Formig4s empezaron a desenvolverse na Galiza, así naceu o número dedicado ao Camiño de Santiago, un referente importante dentro da nosa cultura. E, xusto despois, recentemente saída do forno, atopamos a aventura dedicada e protagonizada por Rosalía de Castro, un mundo enorme para mergullarse nel e coñecer da man desta brigada especial. Quedan moitas "formig4s" por vir? Na miña cabeza están a ferver ideas continuamente, é marca da casa. Sempre explico nas miñas conversas coa rapazada que "por iso quedei calvo, as ideas botaron fóra os pelos". Sempre estou pensando, argallando novas novelas, novas aventuras, que van collendo forma aos poucos no meu maxín. Cando acabo de ter claro por onde tirar, alá vou. Podo adiantar que xa teño unha idea precisa para a seguinte entrega dos Formig4s, pero até aquí podo ler. Sería a sétima, mais todo depende da acollida e a demanda das e dos que me len. Se seguen pedindo máis aventuras dos Formig4s, se a cousa segue como até o de agora, con está gran recepción da colección, haberá máis. |
NOS_15946 | CIG, CCOO, CSIF e UXT cargan contra Medio Rural polo trato aos traballadores do servizo de prevención de incendios | Os sindicatos CIG, CCOO, CSIF e UXT anunciaron esta terza feira a presentación unha denuncia xudicial contra a Consellaría de Medio Rural por unha suposta vulneración do dereito a folga dos técnicos de prevención de incendios que evitaron co que eles consideran un"esquirolismo patronal" ao entregarlle a dirección de obras a persoal alleo á Administración galega. O colectivo de técnicos forestais, que se atopa en folga indefinida desde o pasado 1 de agosto en demanda de melloras laborais, alerta de irregularidades por parte deste departamento na aplicación de servizos mínimos legalmente estabelecidos. De feito, acusan ao conselleiro de Medio Rural, José González, e á secretaria xeral técnica de "prevaricación" por externalizar esta dirección de obras, "conscientes de que estaban a facer algo que a xurisprudencia recolle como esquirolismo patronal". Ademais, arremeten contra os "incumprimentos e comportamentos ilícitos" por parte da Xunta, cunha "imposición de cambio de cuadrantes e calendarios de traballo", o que, segundo critican, "supuxo que en determinados días e distritos se pasase duns servizos mínimos pactados de 66% a outros de 100%". Presións e coaccións Tamén reprochan a estes departamentos a modificación, a través dunha instrución da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, do procedemento de entrega e recepción de lotes de madeira en xestión pública, con encomenda a outros colectivos dos traballos que lle corresponden ao persoal técnico. "Isto pretende rebentar ou minimizar os efectos da folga, nun claro acto de vulneración da liberdade sindical", agregan os sindicatos denunciantes. Xunto a isto, desde as forzas sindicais relatan que houbo "presións, coaccións e pseudo ameazas" ao persoal traballador para que realizasen informes, a pesar de que a orde de servizos mínimos reflicte que estes só deben cinguirse ás tarefas de coordinación e dirección de medios de extinción. A este respecto, os sindicatos denunciantes fan referencia a "correos selectivos" enviados o pasado 21 de agosto nos que se daba a instrución ao persoal de "avisar en caso de deixar de secundar a folga", no que consideran "unha clara intromisión no libre exercicio deste dereito". |
NOS_54063 | O 44,5% das persoas consultadas apoiarían a independencia por un 45,3% que non. CiU recupera e sería primeira forza, cun punto de ventaxe sobre ERC. | Un 45,3 por cento dos cataláns rexeitaría a independencia por un 44,5% que apoia. O informe do CEO (Centre d'estudis d'Opinió) recolle por primeira vez unha vitoria do 'non' sobre o 'si' nun hipotético referendo independentista en Catalunya. As persoas indecisas son un 7 por cento. A sondaxe fíxose vía teléfono a 1.100 persoas entre o 9 e o 13 de decembro. Na enquisa de outubro a oposición á independencia situábase nun 42 por cento, mentres que os que optarían polo Si-Si (naquel traballo a pregunta facíase coa fórmula do 9N) superaba o 49%. O traballo do CEO tamén indica unha remontada de CiU, que volvería ser primeira forza nunhas eleccións cataláns, co 21,9% dos votos (34-36 deputad@s), mentres que a segunda posición ería para ERC, entre 34 e 35 escanos e un 21 por cento dos sufraxios. A terceira posición sería para Citadans, cun apoio do 11,3 por cento e entre 14 e 16 parlamentares. PSC (10,3%) e PP (8,8%) obterían 13/14 e 11/12 deputad@s respectivamente. Podemos atinxiría un 8,2 por cento no seu estreo nas eleccións cataláns (de 9 a 11 parlamentares). IC-V pasaría ter o 6,6% dos votos e a CUP suniría até o 5,5%. ( deputad@s para Iniciativa e 7 para o independentismo revolucionario da Unitat Popular. Nunhas eleccións xerais Podemos sería a primeira forza en votos (20,4%), CiU segunda e ERC terceira. O 80% das persoas que votarían Podemos en Catalunya, contra a independencia Na sondaxe do CEO hai unha pregunta (nº31) na que se fixa a posición sobre a independencia en función da intención de voto do enquisado para o Parlament de Catalunya. Un dos datos máis sorprendentes, quizás, é que o 80% das persoas que dixeron que votarían a Podemos nunhas eleccións catalás están contra a independencia de Catalunya. Unha porcentaxe só superada polos votantes do Ciutadans, PP. O rexeite á independencia entre as persoas que apoian o PSC é do 86%. A favor da independencia sitúanse o 90,5 por cento das persoas que nas urnas apoian a ERC, o 85,4% dos que votan CUP e o 81,2 dos que o fan por CiU. Un 15,7% das votantes de Podemos optaría pola independencia, opción que escolle case o 28% das votantes de IC-V e o 11% das do PSC. |
NOS_9214 | É un dos cantores de intervención máis infatigábeis de Galiza. Baldomero Iglesias, Mero (Vilalba, 1951) leva máis de corenta anos percorrendo camiños, protestos, palcos, centros sociais, como un Woody Guthrie dos tempos salvaxes. Experto na tradición, poeta, entusiasta, Mero fixo parte de emblemáticos conxuntos da canción galega e nunca perde ocasión de reivindicar a materia poética galega. | O seu coñecemento das músicas de raíz é oceánico. Por iso non dubida en rescatar, na súa escolla galega para Albums de aquí e acolá, unha peza soterrada, hoxe ignorada: Porque no mundo menguou a verdade, de Xosé Quintas-Canella. "É unha das mellores mostras da discografía galega dos últimos anos", sinala, "que te transporta aos séculos medievais". Publicado en 1978, o elepé recolle algunhas das máis célebres cantigas trobadorescas. De intrumentación frondosa -zanfona, cítola, guitarra, laúdes, rabel, baixos...-, e ángulos case acid folk, ningún xénero da poesía medieval fica fóra. O amor, o amigo e o maldizer "crúzanse coa sensibilidade de Quintas-Canella". Quen é, segundo Mero, "un home calado, pero moi sensíbel e atento a cousas que outros pasan por alto". "Neste disco por min venerado", engade, "non ten unha gran voz, pero ten a voz precisa". Meendinho, Don Dinis, Airas Nunes ou Pedro da Ponte son os compositores de Porque no mundo menguou a verdade, unha obra que asinan, como coautores, Eloy Vázquez e Ánxel Barbadillo. E á que o propio Mero achegou traballo. "É o colmo da sinxeleza, pero agrada tanto", di. Xosé Quintas-Canella naceu en 1947 en Ourense, aínda que as súas raíces están en Allariz. En 2016 recuncou e gravou Alfa e Omega, tamén con repertorio maiormente medieval. Fundador de Fuxan Os Ventos e mais da Quenlla, a Mero préstanlle músicas folk e músicas militantes. Ambas as dúas vertentes fúndense no disco internacional que elixe, Canto rodado (1993), de Olga Manzano e Manuel Picón. "A última vez que estiven con Manuel deume este disco, sobre poemas do canario Pedro Lezcano", lembra ao que foi seu amigo. Uruguaio, exiliouse primeiro na Arxentina, onde coñeceu a súa parella artística e sentimental Olga Manzano, e despois no Estado español. Autores de elepés clásicos da canción comprometida como Fulgor y muerte de Joaquín Murieta (1974) -cun texto de Pablo Neruda-, a súa existencia na época posterior aos cantautores politizados foi difícil. A noticia da súa morte en 1994, publicada en El País, recollía os graves problemas de supervivencia económica da familia. "Canto rodado fala do medo, fala da paz, fala dunha muller que se chamaba La Rama", explica emocionado Mero, "fala dos ventos don sur. Ten o Romance del Tiempo ou a canción que lle dá título". Os versos de Lezacano, amais de poeta, nacionalista canario de esquerdas, son, ao cabo, os dun ser humano que "fala da súa terra". E conforman a derradeira obra de Picón, quen, lembra Mero, "tiña unha relación especial con Galiza, talvez pola súa ascendencia galega. Trabamos unha amizade moi bonita". Mero conclúe cunha xustificación conxunta das súas preferencias: "Estes dous discos sofren un inmerecido esquecemento". |
NOS_5448 | Tres días de xuízo para resolver unha loita de décadas. O persoal das fábricas do Grupo de Empresas Álvarez (GEA) en Vigo conseguiu levar o banco dos acusados os responsábeis do encerramento da histórica compañía, unha denuncia que desde 1996 estaba pendente por resolver. A acusación particular, formada por un grupo de antigos traballadores e traballadoras, denuncia delitos de apropiación indebida, estafa e alzamento de bens durante os anos posteriores á quebra. O caso quedou visto para sentenza esta cuarta feira após tres xornadas xudiciais na sección quinta da Audiencia de Vigo. | A Fiscalía considera os catro acusados como autores de alzamento de bens, mais asume que o delito está hoxe prescrito. Para os antigos traballadores, que seguen a reclamar ademais o pagamento de centos de miles de euros en salarios, a orixe do conflito foi previa á declarada bancarrota. Creada nos anos 40 por Manuel Álvarez, un ourensán retornado de Cuba, converteuse nun dos principais fabricantes e exportadores de porcelana e cerámica de Europa. Acumulou, porén, débedas e descapitalizacións que remataron coa entrada de capital público na empresa, a través do Instituto Nacional de Industria (INI). É nos anos 90 cando comeza a se albiscar o principio do fin. A 4 de outubro do 1991, o INI vende as súas accións na Empresas Álvarez, nun contexto de re-privatizacións, que compran as sociedades Pickman S.A. e Estudesa. Na década seguinte cambiaría de titularidade en tres ocasións, cunha débeda acumulada xa insalvábel, con atrasos millonarios con Facenda, a Seguridade Social, provedores e do persoal. En 2001, declara definitivamente a suspensión de pagamentos, deixando na rúa centos de persoas en Vigo. As mobilizacións multitudinarias na cidade para salvar a empresa, afundida por continuas xestións neglixentes, non conseguiron frear a súa desaparición. As naves de GEA situadas nos barrios de Cabral, Coruxo e Ponte Sampaio fican desde entón abandonadas. Comparativa da nave de GEA en Coruxo Beneficio patrimonial das débedas A Fiscalía do caso sinala que os acusados trazaron unha estratexia para obter "beneficio ilícito mediante a transferencia de patrimonio" entre as súas empresas, malia a delicada situación financeira pola que atravesaba xa o Grupo Álvarez e en prexuízo dos numerosos acredores da compañía ubicada en Vigo. No ano 1993, fundaron Vidrios Automáticos do Noroeste (Vanosa), cuxo capital estaba vinculado aos terreos das fábricas. O día seguinte, solicitaron un préstamo co Banco Exterior de España, por valor de 450 millóns de pesetas a favor de Estudesa, tendo as propiedades de Vanosa como garantía. Estudesa impagou o préstamo e a entidade executou os terreos para saldar as débedas. O valor patrimonial de Vanosa era tres veces o importe do embargo. O pacto entre os acusados eximía de responsabilidades as súas sociedades, caendo finalmente sobre o patrimonio de Empresas Álvarez. "Seis meses sen cobrar" "Empezamos por non cobrar o mes enteiro, ao mes seguinte dábanmos unha parte, ao outro non pagaban nada... Chegamos a estar seis meses seguidos sen recibir o salario e durante nove anos non cobramos as pagas extraordinarias", relataba á CIG (que lidera esta loita do persoal afectado) unha ex empregada de GEA. Manifestacións, folgas, encerramentos no Concello, protestos diante da Xunta e das institucións en Madrid, unha loita que segue hoxe para recuperar os cartos das nóminas e indemnizacións non pagas durante a quebra. Esta débeda, que abeira os dous millóns de euros, recae neste momento sobre a inmobiliaria Subel, propiedade do empresario Luis Fernández Somoza, que comprou os terrenos de Cabral e Coruxo no ano 2006 coa obriga de abonar as débedas co persoal. "A Somoza interésalle seguir dilatando este conflito xa que mentres non se resolva, os cartos permanecen na súa man. Inversiones Subel e Somoza son o capital e son quen teñen os cartos, pero nós temos dignidade e por iso volveremos á rúa todas cantas veces sexa necesario", aseguraba a principios deste ano o secretario comarcal da CIG Pontevedra, Marcos Conde. |
NOS_36137 | Denúnciano Foro galego de inmigración, Médicos do mundo, SOS Sanidade pública, Asociación galega de medicina familiar e Fundación Juan Soñador nun comunicado conxunto en que exixen que o decreto da Xunta para persoas en situación irregular se prolongue máis aló dos seis meses iniciais "até que non se derrogue o RD 16/2012" | Cando se fan cinco meses da entrada en vigor do Programa galego de protección social da saúde pública, o 1 de setembro de 2012, as organizacións Foro galego de inmigración, SOS Sanidade pública, Médicos do mundo, Asociación galega de medicina familiar e a Fundación Juan Soñador fan público un comunicado en que dan conta do desleixo que a consellaría de Sanidade, a través do Sergas, mantén respecto da atención sanitaria das persoas inmigrantes en situación irregular. "Temos documentados decenas de casos en que atopamos atrancos importantes" para pacientes que se integran nas situacións especiais que contempla o RD 16/2012, como mulleres grávidas ou persoas que non cumpriron aínda a maioría de idade. "Se non teñen unha organización de referencia estes atrancos poden ser insuperábeis" alertan os cinco colectivos, que traballan man a man con inmigrantes no noso País. O remendo "insubmiso" de FeijóoO programa, presentado pola Xunta como unha medida "insubmisa" respecto da norma imposta desde Madrid e que foi considerada como un remendo con tintes electoralistas pola propia entidade Médicos do mundo ou por organizacións sindicais como a CUT, por estaren as eleccións autonómicas do 21-O xa convocadas, veu porlle data de caducidade á sanidade pública e universal: seis meses. Era ese o tempo que terían as persoas en situación irregular para demostrarlle á Administración que lidera Núñez Feijóo que carecen de recursos e de seguros que obriguen un terceiro (no país de orixe) a facerse cargo da atención sanitaria que se lle preste na Galiza. O decreto autonómico exixía un mínimo de seis meses de empadroamento para se acoller a el. Quen non chega a eles só poderá acudir a urxencias, a mesma cobertura de mínimos que o Goberno español fixou para tod@s @s inmigrantes irregulares. Dos seis meses cinco van alá e os cinco colectivos antes citados constataron que o número de persoas que gozan dos beneficios que ofrece esta norma "é moi reducido". Contabilizaron por volta de 300 inmigrantes sobre un total potencial de 9.000 que en setembro de 2012 calculou a propia consellaría de Sanidade. Falta de informaciónO departamento da Xunta recoñece 3.000 casos en que a persoa utilizou os servizos sanitarios públicos e non se acolleu ao programa malia reunir as condicións e achacan tal situación á "falta de información ou a unha información confusa que pode provocar a renuncia por medo ou sensación de exceso de requisitos". O Foro galego de inmigración e as outras catro entidades consideran que a esixencia de documentos identificativos e de empadroamento "son barreiras que dificultan o acceso efectivo e rápido á atención sanitaria". Acrecentan que "o medo polo incremento da persecución policial" xoga en contra da confianza que unha persoa estranxeira que non ten regulada a súa situación pode depositar nas administracións públicas. Por todo o sinalado, exixen que a Xunta poña "un maior interese e esforzo" na difusión do Programa, así como que amplíe o prazo para que as persoas que non tiñan cartón sanitario antes do 1 de setembro de 2012 poidan incorporarse a aquel "namentres non se derroga o RD 16/2012". |
NOS_24004 | Feixoo admite que a campaña verase afectada polo coronavirus. | A precampaña e a campaña das eleccións do 5 de abril veranse afectadas pola crise do Coronavirus. Así o recoñeceu, en declaracións en senllos actos en Lugo e A Coruña, o presidente galego e candidato do PPdeG á reelección, Núñez Feixoo, quen explicou que o comité de campaña do PPdeG analizou a conveniencia de suspender algún acto. En concreto, os populares tiñan previsto un multitudinario no Pino para este sábado e que finalmente suspenden. Na Coruña, Feixoo admitiu "preocupación", aínda que enviou unha mensaxe de tranquilidade e subliñou que "hai que estar preparados". Aludiu ao contacto coas autoridades sanitarias da Administración española e lembrou que, após falar na pasada xornada co presidente Pedro Sánchez, a Xunta está pendente das decisións que se concreten no Consello de Ministros. "De momento, non hai ningunha información destacábel, pero o lóxico é mirar, ver, observar e analizar, e posteriormente valorar calquera medida que podamos adoptar", subliñou. Eleccións sen mitin? Preguntado acerca de se é posible que haxa eleccións sen mitins de campaña, respondeu que non sabe. "Pois non o sei, nunca se deu este feito nin unha situación así. En Francia hai eleccións municipais e de momento mantéñense", esgrimiu. A continuación, precisou que, en todo caso, "é certo" que haberá que tomar decisións e referiuse a un acto que o PPdeG tiña previsto para o vindeiro sábado no Pino e no que agardaban unha asistencia de máis de 4.000 persoas e que se suspende . |
NOS_171 | O colectivo de xubiladas e xubilados da CIG expoñen a dura situación "froito dos recortes" | O Colectivo de Xubiladas, Xubilados e Pensionistas da CIG levan anos denunciando a situación dos servizos de atención ás persoas maiores e dependentes. Xa no ano 2017 exixían un incremento das partidas necesarias para solucionar as eivas neste sector e entre 2018 e 2019 recolleron máis de 14.000 sinaturas que se entregaron no seu día no Parlamento galego. Coa pandemia da Covid-19 e a crise sanitaria incrementaron as protestas recollendo como demandas, entre outras, unha dotación e condicións dignas adecuadas para as tarefas dos coidados, ademais de incrementar os orzamentos públicos destinados á dependencia. "Despois de media vida traballando, as persoas maiores temos dereito a chegar ao final da nosa existencia dunha maneira digna", indica José Manuel Gonzalvez, membro deste colectivo, a Nós Diario. Lembra que Galiza ten as pensións máis baixas do Estado, polo que a maior parte das persoas pensionistas contan con moi poucos recursos e por este motivo levan anos mal atendidos. A razón, segundo Gonzálvez, sería "o sistema que ten o Goberno galego de privatizar todos os servizos que teñen que ver coa asistencia social e a dependencia". Morrer sen cobrar as axudas á dependencia O calvario deste colectivo non remata coa concesión do grao de dependencia e a proposta de servizos ao que ten dereito. "A xente que ten aprobada a dependencia leva anos sen cobrar, e mesmo chega a morrer sen ter percibido ningunha axuda", explica tamén a Nós Diario Elvira Iglesias, outra membro do colectivo. Ás pensións baixas hai que sumarlle a situación das familias con dependentes ao cargo. "Deixaron de cobrar as axudas como consecuencia da crise económica e agora seguen sen recibilas", asegura. Aqueles maiores que conseguiron ter a axuda en moitos casos non lles chega para levar unha vida normal. "A maior parte dispón dunha ou dúas horas ao día de atención e nese horario teñen que facer todo", asegura Iglesias, "sen contar coa precariedade na que traballan as persoas para as empresas que fan ese servizo", engade. Este colectivo carga contra a xestión do actual presidente, Alberto Núñez Feixoo, ao que consideran "o gran privatizador" e sinalan que "nunca un servizo público de atención á saúde e á dependencia tería que ser privada, as empresas sempre quererán ter grandes beneficios a costa nosa e do persoal". |
PRAZA_244 | ENTREVISTA En 2014 morreron nas estradas españolas cando menos 79 persoas que circulaban en bicicleta, unha cifra que aumentará cando se coñezan os datos oficiais da DXT. Falamos cos responsables da Asociación Ciclistas Galegos sobre a seguridade e dereitos dos cicloturistas. | "Morre un ciclista atropelado por un turismo...", "Un ciclista falecido tras sufrir un accidente de tráfico entre un autobús e unha bicicleta...", "Morre un ciclista despois de caer en...". Cada semana os medios recollen novas de cicloturistas mortos e mortas, por atropelos, caídas e outras circunstancias, nas estradas españolas. A Asociación Ciclistas Galegos (ASCIGA) mantén actualizado un macabro contador que no 2014 chegou ata as 79 vítimas mortais, unha cifra que só recolle os accidentes publicados nos medios de comunicación e que -salientan- aínda se eleva máis na realidade. De feito, mentres que o contador ASCIGA chegou en 2013 a 59 falecidos, a cifra proporcionada pola DXT foi de 69. Cómpre salientar, a este respecto, que mentres que o número total de persoas mortas nas estradas españolas se foi reducindo rapidamente nos últimos anos (á espera dos datos oficiais correspondentes a 2014, que mudarán a tendencia), non o fixo da mesma maneira a cifra de ciclistas falecidos e falecidas. Se en 2006 morreron un total de 4.491 persoas, entre elas 75 en bicicleta, en 2013 houbo 1.302 vítimas e 69 foron ciclistas. Máis reveladores aínda son os datos de ciclistas feridos e feridas, en constante ascenso. 06 07 08 09 10 11 12 13 Totais 3.491 3.232 2.598 2.244 2.007 1.680 1.527 1.302 Ciclistas 75 89 54 56 67 49 72 69 % 2,15 2,75 2,08 2,5 3,39 2,92 4,72 5,3 Persoas falecidas nas estradas españolas. Fonte: Dirección Xeral de Tráfico 06 07 08 09 10 11 12 13 Totais graves 18.923 16.983 14.426 11.970 10.036 9.431 8.528 8.033 Ciclistas graves 483 464 440 489 467 589 572 646 Totais leves 113.374 114.700 105.877 102.579 99.857 95.331 96.587 104.721 Ciclistas leves 1.883 2.104 2.362 2.773 2.962 3.712 4.362 4.779 Persoas feridas nas estradas españolas. Fonte: DXT En paralelo, ASCIGA realiza campañas, coma a Non máis bágoas levada a cabo o pasado mes de novembro, que demandan da administración medidas lexislativas e actuacións para incrementar a seguridade dos milleiros de ciclistas que todos os días circulan polas estradas galegas. Tamén buscan unha maior concienciación dos condutores, para que circulen respectando os dereitos dos outros usuarios e usuarias das vías, comezando por cumprir a norma dos 1,5 metros de marxe para adiantar. Outras normas que decote se esquecen son, por exemplo, que os automóbiles si poden traspasar a liña continua para adiantar un ciclista. Ou que os e as ciclistas poden circular en paralelo, en grupos de dous; só se recomenda que circulen un detrás de outro en treitos de escasa visibilidade. De igual xeito, o uso do caso é obrigatorio en vías interurbanas para todos e todas as ciclistas, e en vías urbanas para os e as menores de 16 anos. E, así mesmo, os e as ciclistas están obrigadas a empregar no carril-bici nos escasos lugares onde existe. Falamos cos responsables de ASCIGA. Completado o voso contador correspondente a 2014, como foi o ano? A tendencia é positiva ou negativa? A tendencia é catastrófica. Vense de superar un novo récord e, a falta de confirmación das cifras totais por parte da DXT os datos cos que contamos falan de 79 falecidos. Os nosos medios son limitados e non podemos chegar a todos os casos. Pero se temos en conta que o noso contador o ano 2013 rexistrou 59 falecidos e a cifra publicada finalmente pola DXT foi de 69 podemos imaxinar sobre que cifra nos estamos a mover. É inaceptable. "A tendencia é catastrófica. Vense de superar un novo récord e, a falta de confirmación das cifras totais por parte da DXT os datos cos que contamos falan de 79 falecidos" Criticades habitualmente as contabilizacións realizadas pola DGT. Por que? Porque tratan claramente de manipular a opinión pública. Funcionan do seguinte xeito: a principios de xaneiro publican un resumo e unha nota de prensa na que unicamente resaltan os datos positivos. Nesta publicación a primeiros de ano só se recollen os falecidos en vías interurbanas, a pesar de que se fai con aparencia de seren cifras totais. Ademais, só se computan os falecidos nas primeiras 24 horas tras do accidente. Á altura do verán presentan un novo resumo no que aparecen todos os falecidos. "A lexislación é mellorable, loxicamente, pero onde atopamos maior problema é no cumprimento das normas e no respecto pola vida dos usuarios máis febles das vías" Onde está o problema? Na lexislación? Na aplicación desta lexislación? Na sensibilidade dos condutores? Na actitude ou erros dos ciclistas? Problemas hai moitos, algúns nin sequera dependen da vontade humana. A lexislación é mellorable, loxicamente, pero onde atopamos maior problema é no cumprimento das normas e no respecto pola vida dos usuarios máis febles das vías. O comportamento dos ciclistas tampouco é irreprochable, partimos da base de que todos somos humanos cos mesmos vicios e defectos. Pero hai que deixar ben claro que o risco para terceiras persoas que xeran condutas irresponsable aos mandos dunha bici ou dun coche non son comparables. Casco si ou casco non? Que opinades do novo regulamento de circulación? A primeira pregunta ímola dividir en dúas. Se nos preguntas se recomendamos o uso do casco: por suposto. Cremos que cumpre coa finalidade coa que foi creado, tendo tamén en conta estudos serios que falan de efectos contraproducentes como aforcamentos de cativos e agravamento de certas lesións medulares. Dicimos que cumpre coa finalidade coa que foi creado, pero dita finalidade non ten nada que ver con que un vehículo dunha tonelada nos pase por enriba, e aquí chegamos á segunda parte da pregunta. Se nos falas da obrigatoriedade do casco teríamonos que remitir á DXT. O primeiro que deberían facer á hora de promover unha medida como esta sería presentar un estudo no que se reflectisen cantos dos ciclistas falecidos nos últimos anos morreron por non levar casco. Pero non existe tal estudo. É máis, cos datos que nós manexamos, a práctica totalidade dos casos estudados levaban posto este elemento de seguridade. "Lamentablemente o único capaz de mudar os nosos comportamentos ao volante é o tradicional agora multan" Que medidas concretas poderían mellorar inmediatamente a seguridade dos ciclistas? Chegounos a ilusionar o rumor de que a DXT ía estudar a proposta da Asociación de Ciclistas Profesionais de crear unha unidade da Garda Civil de Tráfico que circulase en bicicleta, camuflados. Pero o desmentido foi inmediato. Lamentablemente o único capaz de mudar os nosos comportamentos ao volante é o tradicional "agora multan". Así aconteceu cos límites de velocidade, coa alcoholemia e agora (segundo a DXT) cos límites específicos de furgóns e furgonetas. Nesta mesma liña naceu a nosa campaña que trata de promover a denuncia voluntaria como método disuasorio e concienciador. Pero é unha mágoa que sexan os propios ciclistas os que asuman un labor que lle correspondería á Garda Civil de Tráfico, que a realizaría con maiores garantías. Que medidas se poderían poñer en marcha para fomentar o uso da bicicleta? Unha das cousas que reivindicamos, e que non suporían un custo elevado, é o mantemento e limpeza das beiravías. Na nosa Comunidade non son moitas as estradas que contan con beiravía suficiente, pero atopámonos moitas veces con que non están en condicións de circular por elas en bicicleta (grava, cristais, pezas de vehículos, etc.), o que obriga o ciclista a usar parte do carril dereito e causa no automovilista unha evidente molestia, tomando esta actitude como unha invasión ilexítima e que se traduce en certos casos en reproches mediante condutas perigosas. "Agora hai máis xente que sabe que ten que deixar unha marxe de seguridade, pero tamén máis xente que se sente molesta cun usuario da vía distinto, que xera desconfianza, incluso nos propios axentes de Tráfico" Notades que nos últimos anos se incrementou a sensibilidade dos condutores? Respéctanse máis as distancias de seguridade? Haberá que ir sempre gravando en vídeo os percorridos para facer respectar os dereitos dos ciclistas? Depende do marco temporal no que nos movamos. De hai vinte anos cara a aquí está claro que si. Daquela os vehículos pasaban rozando e non tiña maior importancia. Agora hai máis xente que sabe que ten que deixar unha marxe de seguridade, pero tamén máis xente que se sente molesta cun usuario da vía distinto, que xera desconfianza, incluso nos propios axentes de Tráfico. O tema das cámaras tivo o seu efecto no Reino Unido hai xa tempo e agora semella que se podería extrapolar a Galicia. De feito, hai unhas semanas acudimos convidados pola Fundación Moure á presentación dunha campaña que pretende fomentar o seu uso para darlles apoio ás denuncia voluntarias, un pouco na liña da nosa, un paso máis… Cal é a situación concreta de Galicia? En termos relativos hai máis mortes e accidentes? É máis seguro ou inseguro circular para os ciclistas galegos? En termos absolutos as comunidades que destacan polo seu número de vítimas mortais son Valencia, Murcia ou Baleares. Por orografía e climatoloxía circular en Galicia é máis perigoso (non só en bici), pero o ciclista galego non é parvo, sabe como debe circular e as circunstancias especiais nos se ven reflectidas directamente no número de falecidos. "Noutros países os ciclistas son heroes nacionais, e ao que ven subido nunha bicicleta respéctano e admírano. Aquí os profesionais son vilipendiados e os afeccionados perseguidos nas estradas" En comparación con outros países de Europa, por que parece que en España custa tanto fomentar a cultura ciclista e o uso da bicicleta como medio de transporte? Aquí imos comezar por botarvos un pequeno sermón aos xornalistas. Se colles unha persoa tomando o café na taberna co Marca diante e pregúntaslle por ciclismo, tes altas probabilidades de que use a palabra dopaxe. Este ano estivemos loitando á beira de Álex Marque, unha honra para nós, que finalmente demostrou que non había absolutamente nada sospeitoso nas súas analíticas na 75º Volta a Portugal que gañou. Pero unha publicación malintencionada serviu para frear de golpe a súa carreira. A ASCIGA non naceu para defender a ciclistas profesionais, que teñen outros medios, pero como lle fixemos saber ao propio Álex: "se non che respectan a ti como profesional, como raio imos pretender que nos respecten a nós despois". Noutros países os ciclistas son heroes nacionais, e ao que ven subido nunha bicicleta respéctano e admírano. Aquí os profesionais son vilipendiados e os afeccionados perseguidos nas estradas. |
PRAZA_187 | A maioría absoluta do PP decidiu unilateralmente agravar substancialmente estas penas, deseñando entre o novo Código Penal e a lei de seguranza cidadá un "Dereito penal da perigosidade", que tende considerar todo cidadán crítico e consciente coma un perigo social | Dende o Código Penal Belloch do 1995, agravado por reformas varias do segundo mandato de Aznar, o sistema punitivo español é dos máis rigorosos e represivos da Europa toda, malia que o Estado español presente menores niveis medios de delituosidade. Non é certa a lenda urbana que di que os delincuentes entran por unha porta e saian por outra. O que vemos decote os xuristas é, pola contra, que as penas tenden a se cumprir íntegras ("a pulso", na fala do cárcere) e os beneficios penitenciarios a se limitar substancialmente. Por outra banda, a aplicación de tipos penais agravados baseados moitas veces en conceptos xurídicos indeterminados (organización criminal, banda armada, medio perigoso…) determinan a imposición de penas absolutamente desproporcionadas, como as impostas hai meses aos acusados de pertencer a Resistencia Galega. A maioría absoluta do PP decidiu unilateralmente agravar substancialmente estas penas, deseñando entre o novo Código Penal e a lei de seguranza cidadá un "Dereito penal da perigosidade", que tende considerar todo cidadán crítico e consciente coma un perigo social A maioría absoluta do PP decidiu unilateralmente agravar substancialmente estas penas, deseñando entre o novo Código Penal e a lei de seguranza cidadá un "Dereito penal da perigosidade", que tende considerar todo cidadán crítico e consciente coma un perigo social. As condutas relativas aos dereitos de reunión e manifestación despenalízanse para convertelas en infraccións administrativas, nas que non xogará xa a presunción de inocencia propia das infraccións penais, senón a presunción de veracidade dos atestados policiais. É dicir, os cidadáns aos que se lles impoñan as elevadas multas lexisladas terán que recorrer na vía contencioso-administrativa, pagando taxas desproporcionadas e arriscándose á condena ás custas procesuais, xa que non sempre será viábel atopar probas que destrúan a presunción do atestado policial. O PP introduciu unha "prisión permanente revisábel" que non é nin máis nin menos ca o cárcere perpetuo prohibido na Constitución Canto á reforma do Código penal, o PP introduciu unha "prisión permanente revisábel" que non é nin máis nin menos ca o cárcere perpetuo prohibido na Constitución. Poderase impor esta pena para delitos graves e só revisábel xudicialmente aos 25 e 35 anos consonte con criterios moi restritivos. Se, ao ler isto, veulles a imaxe de Edmond Dantés no castelo de If, acertaron. Pechar e guindar coa chave. A deriva autoritaria do PP agrávase tamén pola imposición dunha maioría parlamentaria- que xa non existe socialmente- para decidirmos cuestións que só compre facer por consenso, como son o Dereito Penal ou a lexislación sobre as liberdades. |
NOS_36400 | A suba dos prezos procede máis do déficit de oferta que do exceso de demanda. A política monetaria, o principal instrumento para combater as crises de 2007-2008 e da Covid-19, alimenta unha burbulla de activos financeiros e inmobiliarios. | Despois de décadas de aumento moderado dos prezos, con episodios de inflación negativa, 2021 presenciou un aumento xeneralizado do IPC. A acumulada até xaneiro, 6,1% no Estado español, 5,1% na zona euro e 6,9% nos Estados Unidos. Unha mudanza que suscita interrogantes sobre orixe, duración e consecuencias sociais. Para a interpretación maioritaria as causas serían conxunturais, a pandemia e os bicos de garrafa na produción e a loxística, o aumento do prezo da enerxía e o déficit de man de obra. Os confinamentos xunto coas políticas de mantemento de rendas alimentaron unha bolsa de aforro nas economías avanzadas que incrementa a demanda de bens de consumo duradeiro, automóbiles, teléfonos móbiles, equipamentos informáticos, electrodomésticos, materiais para reformas nas vivendas, ao tempo que se interrompen as cadeas mundiais de produción por peches de empresas obrigados polos recorrentes surtos. Faltan microchips (Renault deixou de fabricar medio millón de carros), aceiro, aluminio, madeira, plásticos. O crecemento do comercio electrónico xera demanda de embalaxes e cartón superior á capacidade produtiva. As tensións xeopolíticas Marrocos-Alxeria, Rusia-Ucraína, en combinación coa suba dos dereitos de emisión, impulsan os prezos do gas e da enerxía que se trasladan aos prezos finais de todas as producións, incluíndo a agraria por mor da suba do gasóleo, agroquímicos, plásticos para invernadoiros e forraxes. Segundo a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación), os prezos dos alimentos están no nivel máis alto en 60 anos. Escasean os porta-contedores e o custo de fretalos multiplicouse por cinco. Por último, faltan traballadores especializados na construción, dixitalización e camioneiros, entre outros. Por que soben os prezos? Nos próximos meses, a caída do consumo de enerxía na primavera reducirá os prezos. A medio prazo necesítase investir na creación das capacidades deficitarias. No Estado español anúncianse investimentos de 11.000 millóns en portos e 8.000 millóns en transporte de mercadorías por ferrocarril. A compañía holandesa ASML, que manufactura máquinas valoradas en 200 millóns de euros coas que se fabrican semicondutores, prevé pedidos anuais superiores a 70 unidades. Estados Unidos, a UE e a China anuncian grandes investimentos no sector. As tres grandes navieiras que concentran o 90% do tráfico mundial de contedores encargan novos barcos para satisfacer as necesidades globais baixando os fretes. Para o economista marxista Michael Roberts a desaceleración da produción industrial, o comercio internacional, o investimento empresarial e o PIB serían anteriores á pandemia e causados pola diminución da taxa de lucro debida ao crecemento da composición orgánica do capital (máis infraestruturas, maquinaria, robots, tecnoloxía e menos forza de traballo). O capital privado está a ser incapaz de construír a velocidade suficiente un sistema de enerxías renovábeis que substitúa os combustíbeis fósiles e o que se necesita é a propiedade pública dos oligopolios para pór en marcha un plano de investimento que o faga posíbel. A política monetaria, o principal instrumento para combater as crises de 2007-2008 e da Covid-19, alimenta unha burbulla de activos financeiros e inmobiliarios. A suba dos prezos procede máis do déficit de oferta que do exceso de demanda. A visión da economía ecolóxica Desde a economía ecolóxica, Antonio Turiel argumenta que o aumento dos prezos da enerxía é unha tendencia definitiva, aínda que se poidan producir descensos temporais. A era da enerxía barata, cun rendemento enerxético do petróleo de máis doado acceso de 1 a 50, é xa pasado. O pico do petróleo convencional acadouse en 2005 e resta o de difícil extracción con rendementos moi inferiores. A escaseza de enerxía é a causa pola que o goberno da China, que fabrica o 60% do aluminio global, decidiu reducir a produción nun 7% e prohibiu o minado de bitcoins que se alimentaba con electricidade xerada queimando carbón e pola que os porta-contedores reducen a velocidade de navegación para aforraren combustíbel. Os límites non están só do lado da enerxía, senón tamén de minerais necesarios para a substitución dos combustíbeis fósiles por muíños, paneis solares e baterías e da agroindustria que transforma petróleo en calorías. Un marco que condiciona o desenvolvemento da intelixencia artificial e o internet das cousas, que lonxe de pairar nunha nube etérea, descansan nunha vasta rede física de servidores que consomen cantidades inxentes de materiais e enerxía. Unha tese desenvolvida no suxestivo El fin de la informática. Peak memory. Peak computing que cuestiona a profecía dunha economía global dixitalizada. En resumo, bicos de garrafa temporais, tendencia secular á diminución do investimento polo descenso da taxa de ganancia no capitalismo, límites físicos de materiais e enerxía. Os próximos meses e anos deitarán luz sobre o futuro dos prezos. O que xa coñecemos son as consecuencias da inflación na distribución da renda, os salarios, a desigualdade e a pobreza. |
NOS_49636 | O catedrático de Lingua e Literatura, ensaísta e autor de múltiples traballos de sociolingüística, crítica literaria e historia, achega un perfil ao redor da figura de Antolín Faraldo, con motivo da conmemoración da nosa Revolución de Abril. | Imos partir das análises de Manuel Murguía sobre Antolín Faraldo e a súa obra, pois fanse con coñecemento de causa, sen deixarnos apreixar ou anular por elas, porque necesitan matización, á luz doutras informacións contrastadas, e evidencian algunhas contradicións que nos revelan perfís non dabondo subliñados, ou desmerecidos, precisamente por mor do contexto histórico desde o que o historiador contemplou o pasado próximo. Di Murguía no capítulo que dedica a Antolín Faraldo en Los Precursores que, este, como defensor da existencia de Galiza como pobo con dereitos políticos, veu ao mundo antes de tempo, polo que estaba condenado o seu compromiso ao fracaso entón. Moita xente ilustrada e o pobo consciente, vén dicirnos Murguía, esperaba milagres do proceso de centralización que se estaba a producir na década dos corenta do século XIX, fundamentado na idea dunha soia nación como base dun Estado democrático, que procuraba lexitimidade no discurso do progreso (sen eufemismo, a acumulación capitalista e o mercado único) e da necesidade de liberar a xustiza, a milicia e o goberno das gadoupas da nobreza. Nunha palabra, esperaban dela a liberación das servidumes e opresións do feudalismo, do Antigo Réxime. Por certo, o comportamento lingüístico de Faraldo na escrita, coa exclusión total do galego, hai que atribuílo ao peso da concepción abafante que identificaba modernidade e progreso con castelán, un factor clave para o dominio colonial, ben enraizada nas clases burocráticas –nado en Betanzos, era fillo de fidalgo escribán- e na Universidade de Santiago, nada proclives á identificación cultural coa masa campesiña. Murguía tiña claro que Antolín Faraldo foi o primeiro en defender a causa de Galiza Porén, Antolín Faraldo detectou que o Estado que se estaba construíndo reforzaba opresións económicas sobre o pobo galego, anulaba aínda máis a súa capacidade política e privábao de toda memoria e dignidade sobre si mesmo. Foi o primeiro en enuncialo con tal claridade e contundencia. Porén, pretendeu facer compatíbel esta posición cos esquemas ideolóxicos do progresismo español no que militaba. Deste xeito, reivindicaba Galiza como reino –a terminoloxía política do Antigo Réxime-, e como provincia –a forma de facela compatíbel coa nova invención da nación española unha. Aliás, por debaixo desta acomodación, é perceptíbel que late un espírito protonacionalista, nas súas referencias comparativas e na conciencia da diferenza, da especificidade. E como non, e moi importante, Antolín Faraldo estivo presto a luxarse as mans na política práctica. Defendía o libre exame contra a rutina escolástica e dogmática, predominando nel a preocupación histórica –tamén e, en particular, sobre Galiza,- e a filosófica, alentada por un socialismo utópico de tipo evanxélico. Mais non foi nunca só un teórico, senón, desde noviño, un home predisposto á acción e ao compromiso político. Revolución de abril Amparou socialmente e aproveitou, nunha conxuntura favorábel, a rebelión militar progresista do dous de abril de 1846 na Galiza, contra o goberno conservador de Narváez, para promover un poder civil propio do país, arrastrando tras de si centos de estudantes e axudando a instaurar unha Junta Superior de Goberno Provisional de Galiza, da que foi Secretario con apenas 23 anos, disposta a aplicar unhas medidas que a prensa española de entón cualificou, con certo desprezo e rancor, como Constitución Gallega. Esta mesma prensa, por exemplo El español (29. 4.1846), detecta, na primeira declara ción revolucionaria do Goberno provisorio (consideración de Galiza como unha colonia da Corte e decisión de levantala da súa humillación e abatemento), que "andan en el ajo" os redactores de El Porvenir Gallego (sic), e moi en particular Antolín Faraldo, empeñado en buscar remedio no que é causa dos maiores males, segundo ela, para la nación española: "el estar compuesta de una agregación de reinos". Por certo, Murguía afirma que Antolín Faraldo proclamara a independencia de Galiza. A chata estaba, para el, e falaba con experiencia, en que achegaba forzas a un partido político, o Partido Progresista, que sabía perfectamente que perseguía unha sombra, é dicir, que non ía propiciar nunca a consecución de semellante obxectivo. Subliñemos que se abateu sobre Galiza e os sublevados un aparato militar abafante, por terra e mar, desprazado desde varias partes, que tardou máis de vinte días en acabar coa sublevación. O Goberno tomou a decisión exemplarizante de fusilar os oficiais sublevados, con Solís ao fronte, tras un xuízo sumarísimo en Carral, e castigou a clase de tropa con traslado a Puerto Rico e Cuba por varios anos. Foron moitos civís, a comezar polos membros do Goberno provisional, os que marcharon para o exilio en Portugal. Antolín Faraldo foi un home predisposto á acción e ao compromiso político Creo que Murguía non pondera dabondo o descrédito, a persecución e a vixilancia a que Faraldo foi sometido, aínda con máis saña, após a revolta de 1846 e ao seu regreso de Portugal en 1847, polos seus antecedentes e polas súas ideas. Hai indicios de que, de arribada en Vigo, a fins de aquel ano, intentou, por todos os medios, comezar unha defensa da súa honorabilidade como secretario que fora do Goberno provisorio, o que non lle foi permitido, optando por facelo desde Santander (manifestación por el asinada nesta cidade o 24 de outubro de 1847, publicada en El Eco del Comercio de Madrid, do 30 dese mesmo mes e ano) á espera de os tribunais o procesaren e sentenciaren, espada de Damocles que pendeu sempre sobre el. A súa estrema fidelidade a Espartero nunca foi recompensada debidamente nas filas do propio partido. La Europa, unha publicación coa que intentou facerse un oco dentro da prensa progresista madrileña, durou quince días, para morrer baixo a airada man do goberno de Bravo Murillo. Abandonou entón o nacionalismo e fíxose só progresista de amplo horizonte europeo no seu exilio permanente de Galiza até o final da súa vida? Murguía responde que se non esqueceu os seus antigos soños, os aprazou. Os seus compañeiros de Universidade e de revolución en Santiago, Antonio Romero Ortiz e José Rúa Figueroa, nun artigo necrolóxico na prensa madrileña, após morrer en Granada, onde foi soterrado, expresábanse así: "… las persecuciones empezaron para él cuando para otros se abría la carrera de los destinos: de la universidad salió para la emigración; de la emigración regresó para devorar en las filas de su partido una serie de infortunios (…) De este año (1846) lo pierden de vista las letras, y con las letras su patria. Náufrago como nosotros de la revolución de Galicia, se refugia en las orillas del Tajo; víctima también como nosotros de las persecuciones de 1848, va a ocultarse entre las risueñas florestas de Andalucía" (La Nación, 3.7.1853). A ausencia de Faraldo de Galiza e a súa morte prematura, lonxe do seu país, con 30 anos, deixou un reducido exército sen xefe, como afirma Murguía. Desde logo, tiña claro que fora o primeiro e o mellor en asumir e defender a causa de Galiza. Era un "Novo Moisés", malia non lograse ver a terra de promisión. Nesta definición non está só o espírito nacionalista de Murguía proxectado cara ao pasado, está tamén a consideración de as ideas e as intencións de Antolín Faraldo superaren o que, na práctica social e política, foi capaz de promover, que non foi pouco nin deixou de pagar moi caro. [Este artigo foi publicado no Sermos Galiza 191, no A FONDO A nosa revolución de abril, á venda na loxa] |
NOS_24935 | Netanyahu entrega o control dos territorios ocupados e o Ministerio de Xustiza ao sionista Fogar xudeu. | Asinado o acordo, a coligazón que gobernará por 4 anos o Estado de Israel semella non contribuirá ao diálogo nen á resolución do conflito en Palestina. O reparto das carteiras ministeriais pon en mans do radicalismo sionista a xestión de áreas como a Xustiza e a Autoridade Civil, que exerce o control sobre os territorios ocuapados. Entre as novas facianas do executivo israelita atópase a que foi parlamentar de Fogar xudeu, Ayelet Shaked. Unha persoa que defendeu o asasinato do pobo palestiniano e, nomeadamente, das súas mulleres. Shaked será agora quen participe na selección de xuíces e que dirixe o comité emanado do Parlamento sobre lexislación. Tamén queda en mans sionistas o control dos territorios ocupados e o novo goberno aprobou xa un incremento do orzamento destinado á construción de novas colonias. "É obvio que Israel non procura a paz", sinalou o portavoz da Organización para a Liberación de Palestina (OLP), Xavier Abu Eid, en declaracións recollidas pola axencia de noticias EFE. Omar Barghouti (BDS): "Elixiron o goberno máis fanático da súa historia" "O goberno israelita é unha coligazón nacional polo apartheid e a colonización, onde a xustiza, a paz e unha solución de dous estados non ten cabida", acrecentou. Pola súa banda, desde a campaña internacional Boicote, Desinvestimento e Sancións contra Israel (BDS), o activista palestino e co-fundador, Omar Barghouti, asegurou que "elixiron o goberno máis fanático da súa historia". Un executivo que calificou como "cóctel de dereita, extrema dereita e partidos xudeus fundamentalistas". Omar Barghouti considerou que a nova equipa de goberno, que integra o Likud e Fogar xudeu, desenvolverá unha "política colonial sen disimulo". Desde o partido do premier Benjamin Netanyahu xa advertiron qeu "non haberá nunca un Estado palestino" embora ter sido recoñecido polas Nacións Unidas, a Corte Penal Internacional e, recentemente, até polo Estado Vaticano. |
QUEPASA_255 | A comarca ten 27 casos activos menos que a semana pasada | Esta mañá houbo unha xuntanza do Sergas cos alcaldes da comarca de Bergantiños. Unha reunión que tiña como finalidade de abordar a situación sanitaria xerada pola COVID-19 nunha comarca que suma 164 casos activos, que manteñen as restricións nos Concello da Laracha, Carballo e e Ponteceso, e que ten provocado situacións como as protestas dos traballadores do Hiper Gadis ante a falta de información. A Xunta ofreceu por primeira vez datos oficiais en todos os concellos da comarca. distribución dos positivos é a seguinte: Carballo (66), Ponteceso (32), A Laracha (23), Coristanco (13), Laxe (11), Cabana (10), e Malpica (9). Son 27 casos activos menos que a semana pasada.Evencio Ferrero participou nunha xuntanza telemática sobre a COVID-19 co conselleiro de Sanidade e os alcaldes de Bergantiños Por terceiro día consecutivo, segundo os datos facilitados, no noso concello hai 66 casos activos, entre eles un alumno do CEIP Nétoma-RazoNovidades no ensino Polo de agora, o comezo do curso non está demasiadas alteracións. Si que esta fin de semana se tivo constancia dun positivo dun alumno do CEIP Nétoma-Razo. Por parte da dirección do colexio activouse o protocolo establecido pola Xunta de Galicia e solicitouse a colaboración do Concello de Carballo para realizar unha desinfección especial tanto da aula do alumno afectado coma dos espazos comúns. A desinfección levouse a cabo o mesmo domingo. Mentres, na Laracha houbo tamén unha reunión do Comité de seguemento, na que se deu conta do inicio do curso escolar sen incidentes na escola infantil A Galiña Azul nin nos CEIPs Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e Caión, nos que o Concello reforzou a frecuencia das limpezas e desinfeccións durante o horario lectivo en cumprimento do protocolo establecido pola Xunta. |
PRAZA_18602 | Sacamos adiante a nosa proposta por unanimidade e, a partir do vindeiro curso, os uniformes diferenciados serán cousa do pasado. Se as nenas, polo feito de selo, teñen que ir á escola con saia ou vestido, se cada vez que poñen saia escoitan "que guapa estás", seguimos perpetuando estereotipos machistas. | Na semana do 25N, día mundial contra as violencias machistas, toca poñer novamente o foco nas escolas como un espazo fundamental no que traballar pola sociedade feminista que queremos e precisamos. Unha trincheira fundamental contra o machismo, na que cada día ir dando pasos pola igualdade. Para eles o fútbol, para elas as bonecas, para eles a ciencia, para elas as letras, para eles, a fortaleza, para elas a comprensión, para eles, tamén, os pantalóns, para elas, saias e vestidos Estudos recentes sobre a transmisión dos roles de xénero alertan de que é nas idades máis temperás cando as nenas comezan a aceptar como propias as capacidades, desexos e aptitudes vinculados, tradicionalmente, co feminino. Deste xeito, con só seis anos, as nenas comezan a aceptar como certas afirmacións tales coma que os seus compañeiros, varóns, son mellores en matemáticas, ou que elas están sempre moi guapas, ou peor aínda, máis guapas caladas. E así, pouco a pouco van asumindo que a submisión, o conformismo, a beleza, a finura ou a delicadeza son características propias que deben cultivar para ser socialmente aceptadas e valoradas. Para eles o fútbol, para elas as bonecas, para eles a ciencia, para elas as letras, para eles, a fortaleza, para elas a comprensión, para eles, tamén, os pantalóns, para elas, saias e vestidos. Neste senso, a imposición do uniforme escolar diferenciado é un exemplo máis da división binaria de roles, que alén de deixar a moitas persoas fóra, non fai máis que perpetuar estereotipos machistas propios da división patriarcal entre os sexos que van ter un impacto claro no desenvolvemento da infancia. A cuestión da diferenciación sexual na vestimenta xa foi obxecto dunha sentenza do Tribunal Supremo do 19 de abril de 2011 que considerou contraria ao principio de non discriminación por razón de sexo recollido ni artigo 14 da Constitución Non é unha cousa nova, a cuestión da diferenciación sexual na vestimenta xa foi obxecto dunha sentenza do Tribunal Supremo do 19 de abril de 2011 que considerou contraria ao principio de non discriminación por razón de sexo recollido ni artigo 14 da Constitución Española, a práctica habitual na sanidade privada pola cal as auxiliares e enfermeiras se vían obrigadas a vestir un uniforme consistente en cofia, mandil con peto saia e medias, sen posibilidade de elixir a vestimenta sanitaria de pantalón e camisa que empregan os seus equivalentes homes. É dicir, o Tribunal Supremo determinou que obrigar ás mulleres a levar saia no traballo era contrario ao principio de non discriminación, contrario ao dereito constitucional e acabou obrigando a que moitas empresas tiveran que mudar as súas normas de vestiario. Neste senso a cuestión parece clara: por que nas empresas non e nas escolas si? Acaso non é unha contradición, á luz da devandita sentenza, o feito de que a case totalidade dos centros educativos que teñen uniforme escolar manteñan de forma obrigatoria un código de vestimenta diferenciado por sexo entre alumnas e alumnos? Non podería incorrer en vulneración das garantías constitucionais, ademais de, por suposto, fomentar uns estereotipos de xénero contrarios á igualdade efectiva entre mulleres e homes? Estamos a ensinar ás nosas fillas a ser guapas antes que felices, e iso está tan profundamente enraizado nos nosos corpos e nas nosas mentes que vai ser moi difícil de superar O que está no fondo é, como di a presidenta da Asociación Gafas Lilas, que o que pesa a beleza, a finura e a feminidade está por encima da igualdade. Estamos a ensinar ás nosas fillas a ser guapas antes que felices, e iso está tan profundamente enraizado nos nosos corpos e nas nosas mentes que vai ser moi difícil de superar. Nese senso, o uniforme escolar diferenciado está sendo xa obxecto de debate en países do noso entorno. Como no Reino Unido, onde no inicio do curso pasado eliminaron a referencia sexuada nos códigos de vestimenta. Tamén no Estado español, onde nenas como Sina están dicindo abonda xa desta distinción inxusta. Sina, é unha nena de oito anos que un día lle dixo á súa nai que non quería volver levar saia ao colexio. Unha pioneira que deu pé ao comunicado "Porque nos colexios só se educan persoas: uniforme único" que sería parte do xerme das iniciativas que levamos tanto ao Congreso como ao Parlamento Galego. Presenciar o debate no Parlamento Galego, e máis aínda, o ambiente do mesmo, foi unha proba máis do moito camiño que queda por diante. Entre as brincadeiras e frivolidades da bancada popular ("Que importa que as nenas leven saia?"; "Por que ti mesma a levas?", etc.) relucía, unha vez máis, o espellismo da igualdade. Entre as risas, unha certeza, tocamos fibra sensible. E ao final, na votación, a sorpresa: sacamos adiante a nosa proposta por unanimidade e, a partir do vindeiro curso, os uniformes diferenciados serán cousa do pasado. É dicir, que o Partido Popular que votou non no Congreso, vota si no Parlamento Galego. Un cambio de opinión que, pola nosa banda, non podemos máis que celebrar. Sacamos adiante a nosa proposta por unanimidade e, a partir do vindeiro curso, os uniformes diferenciados serán cousa do pasado A saia, neste caso, é moito máis que un símbolo. Abordar este debate debería partir da idea de que a saia é un instrumento que reproduce e visibiliza o modelo de como queremos que sexan as nosas nenas: querémolas finas, educadas, guapas, tranquilas, coas pernas pechadas... Aos nenos, pola contra, edúcaselles para que sexan fortes, intrépidos, líderes... Se as nenas, polo feito de selo, teñen que ir á escola con saia ou vestido, se cada vez que poñen saia escoitan "que guapa estás" seguimos perpetuando estereotipos machistas. Que o profesorado explique ao alumnado que todos son iguais mentres se impoñen vestimentas que fomentan a submisión das nenas, non serve. Alguén entendería que os nenos brancos estivesen obrigados no cole a levar pantalóns brancos e os negros, por exemplo, pantalóns negros? Seguramente nos parecería unha barbaridade. Entón, por que toleramos que iso pase por unha diferenza de sexo? Como di Sés nos seus concertos, esta técnica é unha boa maneira de poñer luz sobre o machismo. Cando teñamos dúbidas sobre como valorar unha situación mudemos a palabra muller por negro, se o que pasa nos violenta, está claro, estamos ante unha situación machista que cómpre reverter. O goberno autonómico ten a obriga de traballar por un ensino igualitario, onde non se manteña o financiamento de escolas que segregan nenas e nenos, onde se poñan recursos para loitar contra as desigualdades e violencias machistas O goberno autonómico ten a obriga legal de loitar contra estas situacións, a obriga de traballar por un ensino igualitario, onde non se manteña o financiamento de escolas que segregan nenas e nenos, onde se poñan recursos para loitar contra as desigualdades e violencias machistas de cada día, onde o patio sexa un espazo igualitario, onde as nenas aprendan que a causa pola que van ter peores salarios que os seus compañeiros, máis precariedade laboral, máis paro, menos postos de responsabilidade, por suposto que non se chama capacidade, nin tampouco azar, senón machismo. Que a causa de que sexan sinaladas, cuestionadas, vixiadas e golpeadas, chámase machismo. Rematar cos uniformes diferenciados é un paso, máis queremos que sexa tamén unha mensaxe de optimismo e alento a todas as nenas do país, estamos con vós. E imos seguir traballando para que os berros feministas das rúas, os que retumbaron o 8M, o eu si te creo, o #MeToo se escoite dentro de todas as institucións. De todas aprendemos que abonda xa de chamarlle democracia senon é con nós. Abonda xa de chamarlle dereitos se non son para todas. Publicidade |
NOS_17868 | Foi unha loita de 400 persoas, quizais 500 en total, precariamente armadas pero apoiadas por unha ampla rede de enlaces que durante perto de dúas décadas enfrontaron na Galiza a ditadura franquista até as súas últimas consecuencias. | "Por unha España democrática e republicana. Por unha Galiza libre encadrada nunha Federación de pobos Hispanos". El Guerrillero, nº 1, 25 de decembro de 1946 Os militares e dereitistas sublevados en xullo de 1936 contra o lexítimo Goberno republicano "tomaron" a Galiza con extrema violencia, eliminando tantos demócratas como puideron e aínda máis. Con todo, lonxe de calquera fronteira democrática, centos de persoas sobreviviron, perseguidas polos montes, agachadas en sotos e faiados. Rematada a guerra en abril do 1939, coa vitoria de Franco non chegou outra paz que a dos cemiterios, non houbo piedade para os vencidos. Manu militari foron aplicadas -en paralelo e/ou consecutivamente- a Lei de responsabilidades políticas de febreiro de 1939, a Lei de represión da masonería e o comunismo de marzo de 1940, a Lei de seguridade do Estado de 1941, a Lei de rebelión militar de 1943 e o brutal Decreto-Lei sobre represión dos delitos de bandidaxe e Terrorismo de abril de 1947, que seguía remitindo á xurisdición castrense. Sumémoslle o racionamento, vixente até 1952, as exaccións da Fiscalía de Taxas, unha relixiosidade opresiva, o caciquismo máis brutal, a violencia institucional. Unha situación ben irta para quen viviran en plenitude a Segunda República, para quen espertara á vida e á conciencia naqueles apenas cinco anos de liberdades: se medraba o medo e a resignación, tamén medraba a resistencia. A guerrilla antifranquista galega(1936-1954) Guerrilleiro da patria asoballada ferramenta de verdade e de vasoirasa túa palabra anuncia mañás loirase colleitas de luz nas madrugadas. (Manuel María) Os primeiros combates foron defensivos, por obra dos superviventes da malleira inicial, por quen fuxiran polo que puidera pasar, por quen refugaban do servizo militar, por quen caneaban as ciadas da Garda Civil e dos falanxistas, por aqueles tantos que se lles sumaron ao saír dos cárceres. Da primeira resistencia espontánea, e fiando nunha intervención aliada, "Despois de Hitler, Franco", os "escapados" foron quen de ir creando complexas estruturas solidarias, resistentes e políticas, os fuxidos galegos deron en guerrilleiros. Destacan no norte de Galiza o primixenio Grupo Chapapiev /Unidade guerrilleira nº 1 na Mariña e a guerrilla do Eume; na zona suroriental ourensá-leonesa en 1942 unha unitaria Federación de Guerrillas, despois Corpo de Guerrillas, despois Iª Agrupación. Entre 1944 e 1946, co pulo fundamental do Partido Comunista, eses grupos, con outros, deron organizado o Exército Guerrilleiro da Galiza, constituído por Agrupacións IIIª (Lugo), IVª Pasionaria (A Coruña) e a IIª (Ourense) moi activas. O franquismo actuou contundentemente, especialmente aplicando o Decreto-Lei de prevención da bandidaxe e terrorismo (1947) que daba liberdade de actuación contra quen combatían con afouteza: a Dirección Xeral da Garda Civil consideraba en 1948 que "os inimigos do Réxime no exterior din que Galiza é a primeira zona guerrilleira de España". De 1948 en diante a situación internacional (Guerra Fría, Bloques), o activismo armado coa consecuente dura actuación policial (infiltracións, contrapartidas, combates, paseos, deportacións), os cambios de táctica do PC ("entrismo") e tamén tristes depuracións internas foron levando a guerrilla galega cara ao seu final. De 1948 a 1951, morreron en acción, asasinados ou executados, case 100 combatentes e colaboradores da guerrilla, caeron bases e redes de enlaces, marcharon a Francia algúns responsábeis político-militares, de maneira que de 1951 en diante só ficou Francisco Martínez Leira "Pancho", quen, en palabras de H. Heine, "a diferenza doutros, máis coñecidos que el, si merece o título de último guerrilleiro da Galiza, pois actuou como tal e como activista político até o último día da súa vida". Entobados, inactivos e mitificados quedaron José Luís Castro Veiga "O Piloto", tiroteado en 1965; Ramón Rodríguez Varela "O Curuxás", morto dun ataque cardíaco en 1967 e Mario Rodríguez Losada O Pinche, quen marchou a Francia en 1968. Balance da guerrilla 400, quizais 500 persoas en total, precariamente armadas eran quen combateron case dúas décadas ao Exército, á Falanxe, á Policía e á Garda Civil nun país militarizado, pois o Estado de Guerra durou de xullo do 1936 até 1948. En termos bélicos a transcendencia militar da guerrilla antifranquista galega foi escasa, porén, a guerrilla cumpriu o papel de desprestixiar o réxime franquista e de manter a esperanza democrática. Os guerrilleiros non derribaron a Franco, pero constituíron unha ameaza permanente contra falanxistas e dereitistas, eliminando caracterizados represores. Até 1954 os resistentes galegos deron morte a moitos falanxistas, sacerdotes "pistoleiros", confidentes e gardas civís; dinamitaron pontes, tendidos eléctricos e telefónicos, queimaron xulgados e casas dos concellos, editaron e esparexeron moita propaganda, impuxeron sancións económicas a fascistas notorios, conseguiron ás veces moderar abusos e atropelos, aínda que outras tantas provocaron reaccións de vinganza indiscriminada contra quen apoiaban a guerrilla, unha loita que perdurou tanto tempo mercé a un grande apoio popular que proviña de "cando Galiza era libre e republicana", e que era voluntario e consciente, por veciñanza, familia, ideoloxía, mais tamén fervor cara a uns loitadores irredutíbeis. Na década dos 40 e primeiros anos 50 do século XX a guerrilla foi na Galiza a única oposición activa ao franquismo, usando na forma da democracia armada. A guerrilla (con moitas luces e algunhas sombras) estaba formada por persoas do común atrapadas no remuíño da historia, que, xogando a liberdade e a vida, fixeron da resistencia armada galega a máis irta e dilatada de España, deixando nas memorias unha fonda pegada de nomes, feitos, accións, cadea, heroísmo e morte, unha historia heroica e tráxica na defensa das liberdades. |
NOS_52979 | Os problemas nos servizos de Atención Primaria sucédense en toda a Galiza. Ao longo da última semana desenvolvéronse mobilizacións en diversas partes do país para protestar pola ausencia de medios humanos e materiais. A caída da calidade asistencial é un feito que denuncian usuarias. | Na mañá desta quinta feira, ducias de veciñas e veciños mobilizáronse diante do centro de saúde Ribadeo "en defensa da Atención Primaria e da sanidade pública". A protesta, convocada polo Bloque Nacionalista Galego, chegou tras verificarse nas últimas semanas un progresivo deterioro da calidade asistencial do Punto de Atención Continuada (PAC) de Ribadeo. O PAC de Ribadeo presta asistencia sanitaria nos meses de verán a unha poboación de aproximadamente 30.000 persoas, residentes nos concellos de Ribadeo, Barreiros e Trabada. A pasada fin de semana un só facultativo viuse obrigado a atender as necesidades médicas de toda esta poboación, sen que a Xunta da Galiza ofrecese unha explicación do acontecido, malia a queixa do alcalde de Ribadeo. Un caso semellante acontece nos municipios veciños da Pontenova e Cervo. O primeiro deles dispón dun só médico para cubrir as necesidades sanitarias de perto de 4.000 usuarias e usuarios, véndose obrigado o facultativo a fechar o centro de saúde cando ten que acudir á vivenda dalgúns dos seus doentes. O segundo só conta nos meses de verán con dous profesionais para atender os residentes do concello, polo que o centro de saúde de Cervo permanece fechado dous días á semana, obrigando a veciñanza a desprazarse a San Cibrao. O Barbanza As queixas polo deterioro da Atención Primaria déixanse sentir con forza no Barbanza. A comarca, que no pasado mes de xullo rexistrou unha mobilización masiva en defensa da sanidade, observa como a Xunta da Galiza mantén fechados os consultorios periféricos de Taragoña en Rianxo, de Cabo de Cruz en Boiro e de Palmeira en Ribeira, provocando neste último caso que 1.200 usuarias e usuarios deban desprazarse a Ribeira. As carencias de persoal son evidentes no conxunto dos centros de saúde da zona. Así, o Goberno galego ten sen cubrir sete prazas de facultativos en Ribeira e catro en Boiro e en Rianxo o PAC da localidade mantense fechado en horario de tarde, privando nese período a veciñanza do servizo de urxencias. O Salnés O contexto non é mellor no Salnés. O PAC de Vilagarcía só conta con nove de 14 médicos asignados, permanecendo a última fin de semana sen ningún facultativo. Ao tempo, o centro de saúde de Cambados ten vacantes catro prazas e os concellos da Illa, Ribadumia e O Grove non dispoñen de servizo de Pediatría. Asemade, en Sanxenxo, onde o alcalde ofreceu aloxamento gratis aos facultativos dispostos a traballar na localidade, o PAC de Baltar non dispón de reforzos de verán, malia que o municipio triplica a súa poboación neste período. A veciñanza Moraña, na comarca de Caldas, saíu á rúa esta cuarta feira, 3 de agosto, para protestar polos recortes sanitarios no concello. A mobilización, convocada polos nacionalistas e socialistas, denunciaba a decisión do Goberno galego de reducir a un só médico a prestación sanitaria no concello de 1 a 8 e de 22 a 31 de agosto. A nutrida marcha foi valorada polos organizadores como unha mostra do malestar existente na poboación pola política de recortes da Xunta da Galiza. A situación da Mariña, O Barbanza, O Salnés ou Moraña repítese na totalidade das comarcas e adianta un empeoramento do problema nos próximos tempos. A este respecto, a portavoz do BNG en materia de sanidade, Montse Prado, afirma a Nós Diario que "a situación da sanidade pública, especialmente a da Atención Primaria, está ao borde dun precipicio como consecuencia dunha voadura programada por parte do PP, que leva moitos anos traballando para rematar co sistema público co obxectivo de favorecer o negocio privado". O voceiro de Sanidade do PSdeG, Julio Torrado, sinala a Nós Diario que "o problema da Atención Primaria é de modelo, e se non se fai nada nos próximos meses, o que vai vir é peor. Estamos diante dunha realidade obvia, que ve todo o mundo agás a Consellaría de Sanidade". A fuxida dos MIR 89 MIR remataron este ano a formación en Atención Primaria na Galiza, porén só 30 ficarán no país. Así, de 11 MIR que acabaron en Compostela só ficaran dous; de 23 en Vigo, só 10; de 18 na Coruña, só 7; de 11 de Ourense, só dous; de 10 de Lugo só 5, de 11 de Pontevedra só 1 e só quedarán tres de cinco en Ferrol. |
NOS_30 | A Policía española arrestou o home que foi identificado após, cando menos, 4 agresións. | Esta quinta feira foi detido en Vigo un presunto agresor machista. Segundo recolle a axencia de noticias Europa Press o home foi identificado após unha investigación policial que comezou no mes de febreiro e que partiu da denuncia dunha muller á que o detido abordou pola rúa tentando tocala no interior dun ascensor. Dous meses despois, en abril, outras dúas mulleres denunciaron feitos semellantes acontecidos na rúa Travesas e Gran Vía. O detido ten 6 antecedentes policiais anteriores --non trascendeu se por violencia machista. Pasou xa a disposición xudicial. |
NOS_12032 | O título anterior correspóndese co 7º verso do derradeiro poema do primeiro libro de Follas Novas e aproxima o titular da capa deste Sermos 152 á semántica das grandes narracións épicas. | Loita desigual contra o lume, podemos ver impreso. En sen igual batalla, poderíamos completar. Como na épica, a linguaxe cotiá aplicada para situacións en que se loita por unha meta ou un ideal, cun "inimigo" por veces pouco definido e inaccesíbel. E tamén con poucas posibilidades de saírmos airosos. É a batalla de Don Quixote contra os muíños convertidos en xigantes (...ponte en oración mentres eu vou entrar con eles en fera e singular batalla). A batalla fera e singular, única. Unhas veces a batalla líbrase entre a realidade e fantasía; outras entre diferentes planos do non corpóreo: ... sentindo como loitanen sin igual batallainmortales deseios que atormentane rencores que matan... A prensa, cronista obxectiva da realidade, entra a miúdo no plano da realidade literaria, da suxerida e, por ocasións, nesa estrutura conceptual que asocia poderes tan diferentes, varía unha das palabras e onde había loita hai disputa: "disputa desigual" escribe o brasileiro Diário do Centro do Mundo para se referir ao conflito xudicial entre o director de telexornalismo da Globo e un blogueiro (É o milhão contra o tostão, quer dicer, o millón contra o céntimo, o poderoso contra o pequeno) "A prensa, cronista obxectiva da realidade, entra a miúdo no plano da realidade literaria, da suxerida" Con este mesmo valor e usando batalla en vez de loita para se referir á loita dos traballadores comúns contra as grandes corporacións dos EUA o Blog em resposta, titula "Batalha desigual nos EUA: uma implacável luta de classes vinda de cima" Nunha nota de abril de 2015, o periódico arxentino Los Andes, pon como pé de foto: "Militares libios luchan una batalla desigual contra el EI" e en Cubadebate podemos ler un titular ben curioso " Lobo marino y pulpo se enfrentan en desigual batalla". Finalmente vence o lobo, segundo nos ilustran as fermosas fotografías que acompañan. Un artigo de El País, crónica de viaxes, do ano 2007, sitúa en Grecia a "asombrosa e desigual batalla" que se deu nas Termópilas no ano 480 antes de Cristo. Tamén asombrosa e desigual é a batalla que hoxe se está a desenvolver en Grecia. Sermos dedica o editorial e a páxina 31 a facer crónica desa guerra. Como desigual resulta o relatado na páxina 30. Aínda que aquí os adxectivos máis adecuados serían outros. E, finalmente, para batallas desiguais as referidas na dupla páxina de social. Lean. |
NOS_22096 | 300 persoas --as que caben no barco-- conmemoraron na illa, como cada 15 de xullo desde hai sete anos, o Día da Memoria. Música, flores, pombas e palabras procuraron recordar no sentido etimolóxico do termo: traer, máis unha vez, ao corazón | De viaxarmos á orixe etimolóxica do verbo recordar, veremos que significa moito máis que ter a alguén presente na nosa memoria. Mistura do prefixo latino re e do termo cordis, recordar é facer que algo ou alguén volva pasar polo noso corazón. Procurando tal desexo para quen deron a súa vida pola liberdade, os dereitos e a dignidade do noso país, máis un 15 de xullo 300 persoas subiron nun barco rumbo á Illa da Memoria. O nome púxollo a Xunta en 2006, cando os que gobernaban eran BNG e PSOE, a San Simón. Entre 1936 e 1943 o lugar foi unha cárcere e por ela pasaron máis de 5.000 persoas. Chegaron a convivir 2.500 xuntas, repartindo o espazo a 45 centímetros para cada preso. Son as contas que fixo Ildefonso Puente, un dos que sobreviviu á prisión. A historia que non vén no libro de HistoriaHistorias como a de Ildefonso, e como a de Heriberto Rodríguez, tamén sobrevivinte de San Simón, son as que se contan no documental A pegada dos Avós, de Xosé Abad, onde un grupo de estudantes de segundo de bacharelato saen na procura de respostas para construíren a súa opinión propia e reflexionaren ao redor da historia non escrita desde o levantamento militar fascista do 36. Gabriel, o fillo de Amada García, a quen fusilaron tan pronto pariu; e Mariquiña, que conta como se organizou unha familia en que só quedaron mulleres após o fusilamento de seu pai, son as dúas persoas que centran o proxecto que @s propi@s moz@s presentaron este domingo no auditorio da Illa, no marco dos actos organizados, como vén acontecendo nas últimas tres edicións, por Iniciativa Galega pola Memoria. Quixeron respostar á opinión espallada de que a xuventude de hoxe non se importa por nada turrando das súas motivacións para facer parte do documental: achegárense de primeira man á memoria das persoas que sufriron a represión en carne propia ou que son familiares de represaliad@s. "Teño ganas de lles prometer que isto non vai volver pasar", di unha das rapazas. Mais hoxe en San Simón fíxose tamén memoria da música. A comisión de Marín quixo homenaxear a rondalla, conxunto tradicional da vila e cuxos músicos sufriron tamén a represión, indo parar moitos deles á illa. Samuel Acuña interpretou un poema para recordalos. Recordando a Enrique Gómez, Mercedes Núñez e Alexandre BóvedaXa na illa de San Antón, diante do muro que separa do cemiterio e onde se executaban os fusilamentos --a Xunta colocou alí unha placa en 2006, no Ano da Memoria-- recordaron Ana Aller, neta de Enrique Gómez, fusilado no monte; Pablo Iglesias Núñez, fillo de Mercedes Núñez, presa no cárcere de Ventas e despois deportada a Ravensbruck, o maior campo de concentración de mulleres en Alemaña durante a II Guerra Mundial; e Valentín García Bóveda, neto de Alexandre Bóveda. Ana definiuse a si propia como "filla do silencio", ao tardar varios anos en coñecer a historia do avó, mais tamén da avoa, a quen violaron e torturaron até se fartaren para que facilitase información sobre o paradoiro do home. Após saber todo iso, dixo, tornouse activista da memoria. Pablo Iglesias fixo un chamamento a fuxir dos conceptos e comparou as situacións de San Simón e do campo de Ravensbruck. Durante anos díxose que aquel non era un campo de concentración, ao non dispor de cámara de gas. A propia Mercedes Núñez, que foi testemuña en xuizos contra os nazis, sempre defendeu que era un campo de concentración onde, se ben non as mataban directamente, facían que morresen. Como en San Simón. O libro Episodios de terror durante a guerra civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón, dos investigadores Gonzalo Amoedo e Roberto Gil, fala de 666 mortes na illa. Non cumpriron balas para a meirande parte. As pésimas condicións de hixiene, as enfermidades, a mala alimentación e o frío acabaron coas vidas de boa parte dos presos. Outros foron 'paseados', e os seus corpos apareceron tirados nas praias, nos montes ou na estrada de Redondela. O asasinato de Alexandre Bóveda é por tod@s coñecido. Detido dous días despois do levantamento fascista, fusilárono no monte da Caeira, en Poio, o 17 de agosto do 36, xornada en que se conmemora o Día da Galiza Mártir. Consciente de que a historia do seu avó vén até nos libros de texto, Valentín García enfatizou como herdou os valores que defendía Bóveda e polos que foi matado, e asegurou que o mellor recoñecemento que podería recibir este intelectual sería que o mesmo coñecemento que se ten del se espalle a todas as persoas vítimas da represión franquista. Cando as 300 persoas tomaron o barco de volta, San Simón tomou de novo o nome que lle deu a Xunta do PP, Illa do Pensamento, un lugar onde facer actividades culturais lonxe da recuperación da memoria. Do documental A pegada dos avós: "Feridas? Que feridas? O que se remove é a xustiza!" |
PRAZA_19221 | Ferrol acollerá o vindeiro 17 de febreiro unha gala, con actuacións de Guadi Galego, María Manuela, Xabier Díaz, Bellón&Maceiras, Mini e Mero, Miro Casabella e A banda da Loba. O escritor e mestre viviu varios anos en Mugardos cando comezou a dar clases a a impulsar o movemento de renovación pedagóxica | Agustín Fernández Paz naceu en Vilalba e pasou unha parte importante da súa vida en Vigo, onde finou o pasado mes de xullo. Polo medio viviu en Xixón, Barcelona, tamén A Coruña, mais tamén en Ferrolterra, concretamente en Mugardos, onde chegou (xunto coa súa dona Inma) a finais dos anos setenta. En todos estes lugares deixou pegada, e se cadra de forma moi especial nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, que foron o escenario da súa intensa e vitalista actividade nos seus primeiros anos de ensinante, acabado de facer trinta anos. Non é estraño polo tanto que a primeira homenaxe pública que se lle tributará teña lugar na cidade naval. Será o vindeiro venres 17 de febreiro ás 20.30 horas no Auditorio de Ferrol. A entrada é libre ata completar aforo. Na gala proxectaranse diferentes partes dun documental sobre as súas vivencias na zona de Ferrolterra e haberá actuacións musicais da man de Guadi Galego, María Manuela, Xabier Díaz, Bellón&Maceiras, Mini e Mero, Miro Casabella e A banda da Loba. En Mugardos promoveron a creación do Grupo Avantar, movemento de renovación pedagóxica que, xunto con outros do país, daría orixe á actual Nova Escola Galega En Mugardos Agustín e Inma traballaron no colexio Unión Mugardesa, centro do que posteriormente el foi director. Alí tamén participaron activamente nas diferentes edicións das Xornadas Pedagóxicas de Mugardos e dende alí promoveron, canda outras persoas mestras da zona, a creación do Grupo Avantar, movemento de renovación pedagóxica que, xunto con outros do país, daría orixe posteriormente –no 1983- á actual Nova Escola Galega. Foi en Ferrolterra onde empezaron a xurdir as súas primeiras obras, que dende finais dos 80 se converterían nun éxito inmediato, e tamén dende alí Agustín Fernández Paz colaborou na edición de múltiples materiais didácticos, maiormente editados por Edicións Xerais. "A súa pegada queda tamén nos nosos corazóns e nos de tantos colexios, institutos e entidades culturais que puideron contar sempre coa súa desinteresada e afectiva colaboración" "De Mugardos marchou vivir a Vigo e son multitude as persoas amigas que deixou nesta zona, ás que sempre tivo no corazón", destacan Xaime Bello (ex alcalde de Ferrol) e Xosé Lastra (mestre e ex concelleiro), integrantes da Comisión Organizadora da Homenaxe, da que tamén forman parte Bernardo Máiz, César Martínez, Emilia Seoane, Mª Carme Bar, Secundino García e Xabier P. Docampo. "A súa pegada queda tamén nos nosos corazóns e nos de tantos colexios, institutos e entidades culturais que puideron contar sempre coa súa desinteresada e afectiva colaboración", engaden. A recollida de billetes para o acto (desde o xoves 9 ao venres 17 de febreiro) poderá facerse de martes a sábado na billeteira do Teatro Jofre, de 11 a 13h e de 18 a 20h. Ademais, o propio día da gala estarán dispoñibles no Teatro Jofre (de 11 a 13 horas) e no propio Auditorio de Ferrol dende dúas horas antes do evento. |
NOS_6223 | As porriñesas reciben o Xixón, mentres o Guardés, que terá que xogar en Tui polas obras na Sangriña, enfróntase ao Granollers. | A División de Honra de balonmán dá este sábado o disparo de saída coa mesma representación galega dos últimos anos, o Conservas Orbe Rubensa BM O Porriño e o Mecalia Atlético Guardés, que veñen de protagonizar unha nova final da Supercopa da Galiza saldada con vitoria das porriñesas. Rival potente no Porriño O BM O Porriño debuta ás 18 horas na casa fronte ao Motive.Co Xixón, que rematou a pasada campaña no cuarto posto mentres as galegas acabaron décimas. Estes dous equipos xa se viron as caras na pretempada até en dúas ocasións, cunha vitoria para cada un. Con todo, a incerteza paira sobre un BM O Porriño afectado por numerosas baixas: "A día de hoxe non sabemos quen chega e quen non", advertiu o adestrador, Ismael Martínez, que botará man do filial: "Están a facelo moi ben na DH prata", dixo. Sobre o rival, Martínez viuno como "un moi bo equipo chamado a facer grandes cousas na liga". "As chaves do partido pasan por reducir o número de goles recibidos en contraataque e controlar as súas pivotes e a conexión co centro", engadiu. O Guardés xoga en Tui Pouco tempo despois (19 horas) o Guardés recibe o KH7 BM Granollers, mais debido ás obras de reforma na Sangriña non xoga na casa, senón no pavillón de Tui, onde se espera a chegada de dous autobuses cheos de afeccionados e afeccionadas. Para o encontro estarán dispoñíbeis todas as xogadoras que estaban mancadas, coas únicas excepcións de Celia López e Carolina Silva, aínda recuperándose de cadansúa lesión. "Hai moito traballo e moitas horas detrás. As sensacións son boas, é un grupo tímido e cohesionado", dixo o técnico, Abel González, quen advertiu que o partido será "complicado" ante un equipo "que xoga ben" e que o pasado ano rematou sétimo —as guardesas foron quintas—. |
PRAZA_10239 | Os conservadores gobernaran estes concellos dende o ano 1979, pero os resultados deste domingo provocaron un cambio que xa foi cualificado de "histórico" nestas localidades. O Partido Anticorrupción y Justicia, a Agrupación de Electores Todo polo Páramo e Compromiso Outes resultaron gañadores | As eleccións son importantes en todos os concellos e cando cambia a cor política do goberno local, iso introduce cambios nas vidas de todas as localidades. Pero hai lugares nos que estas mudanzas, se cadra, adquiren maior relevancia, podendo ser cualificados de "históricas", sobre todo cando este cambio supón a fin de catro décadas de dominio dunha forza política. Máis aínda cando falamos de concellos de pequeno tamaño, nos que o Concello adquire un papel máis protagonista na vida da cidadanía.Este domingo foi histórico en Agolada, O Páramo ou Outes, onde candidaturas veciñais conseguiron apartar do poder a un Partido Popular que gobernara alí nas últimas décadasEste domingo foi histórico en Agolada, O Páramo ou Outes, onde candidaturas veciñais conseguiron apartar do poder a un Partido Popular que gobernara alí nas últimas décadas. AgoladaAgolada tivera ata agora unicamente dous alcaldes dende a restauración da democracia en 1979: Manuel Costa Casares (UCD primeiro e PP despois), entre 1979 e 2007, e o tamén popular Ramiro Varela Peón (2007-2019), que gobernaran dende 1983 con amplas maiorías absolutas. Aínda en 2015 Ramiro Varela obtivo o 66,34% dos votos e 8 dos 11 concelleiros. Este domingo o PP ficou en 4 edís e o 37% dos votos, superado amplamente polo Partido Anticorrupción y Justicia (PAYJ) liderado por Luís Calvo, que acadou 7 concelleiros e gobernará por maioría absoluta.O PáramoAlgo semellante sucedeu no Páramo. Neste concello lucense Gumersindo Rodríguez Liz foi alcalde entre 1983 e 2019, primeiro por Coalición Galega e dende 1991 polo PP, e decidiu non liderar a lista popular nestes comicios, ficando no número 2 da candidatura. Rodríguez Liz obtivera 8 maiorías absolutas consecutivas, aínda que no 2015 a vitoria popular foi máis axustada: 5 concelleiros de 9 e o 46% dos votos. Este domingo o gran triunfador foi a Agrupación de Electores Todo polo Páramo, con 4 concelleiros e o 41,5% dos apoios. O PP obtivo tamén 4 o PSOE 1, que pode asentar unha maioría alternativa aos populares. A candidatura foi liderada por José Luis López López, ex-presidente do equipo de fútbol da localidade, que na campaña asegurou que "nunca" pactaría co PP e chamou a un "cambio de rumbo" no concello.OutesEn Outes o dominio do PP esténdese ao longo de 40 anos de democracia, da man de Gonzalo Pérez Villaverde (UCD e despois PP) e, dende 1995, co falecido Carlos López Crespo (substituído en 2016 por María Beatriz Molinos Vidal). No 2015 o PP obtivera aínda unha cómoda maioría absoluta, con 8 de 13 edís e o 51% dos votos. Este domingo a situación deu a volta e Compromiso Outes foi a forza máis votada, con 5 concelleiros (4 en 2015), os mesmos que o PP. BNG (2) e PSdeG-PSOE (1) completan a corporación e poden asentar un goberno liderado por Manuel González, despois de 40 anos de gobernos conservadores. Na campaña electoral González chamou a liderar "un cambio histórico" no concello. |
NOS_51437 | Xela Martínez e Adi Iglesias, principais atraccións. | O recinto de Expourense, na Cidade das Burgas, acolle hoxe a edición número 37 do Campionato da Galiza absoluto en pista cuberta, que neste 2022 presenta importantes atractivos a pesar da ausencia dalgúns nomes tan destacados como os de Ana Peleteiro e Belén Toimil. As súas ausencias darían lustre, mais non lastran un certame cheo de alicientes, especialmente na categoría feminina, onde se rexistraron 194 competidoras. Dúas delas prometen protagonizar un duelo de poder a poder na proba dos 60 metros lisos: a vixente campioa galega e flamante ouro paralímpica dos 100 metros, Adi Iglesias, e a gran promesa da velocidade e actual campioa de España Sub-18, Ainhoa Reparaz. Tamén serán interesantes os 400 metros, onde destaca a presenza da Sub-20 María Fernández, que vén de acreditar recentemente 56'15, mais non é descartábel que Eugenia Gil e Alicia Barreiro sexan quen de dar a sorpresa. Porén, se algunha proba podería roubarlle protagonismo á dos 60 metros esa é a dos 800, que permitirá ás persoas congregadas no recinto ourensán contemplar as evolucións de Xela Martínez, auténtica sensación no panorama atlético xa non galego, senón estatal, como demostrou esnaquizando os récords de España Sub-18 nos 1.500 e os 3.000 con tan só 16 anos e un mes de idade. A súa ausencia nestas últimas distancias deixa o favoritismo exclusivamente sobre os ombreiros de Laura Santos nos 3.000 metros, mentres que o 'milquini' é algo máis atraente sobre o papel, dada a competencia entre Antía Castro e Ángela González . Xa nos saltos, a xuventude asalta o poder na altura da man das novísimas Emma Sihuang, Carlota Salgado e Eva Queimaño, mentres que a baixa de Lola Bouza na pértega facilitará un duelo polo máis alto do podio entre a experiencia da veterana Bea Viteri (33 anos) e Lisa Vosberg, que conta con tan só 15 anos de idade. Na lonxitude, e sen Ana Peleteiro no triplo, Diaou Diallo e Alba Cuns -dúas das mellores triplistas Sub-20 a nivel estatal na categoría- son as favoritas sobre un sintético que tamén botará en falta Belén Toimil -lesionada hai apenas unha semana- no lanzamento de peso, o que elevou Raquel Vila como gran candidata ao ouro grazas ao aval que representa a súa marca de 12,73 metros. Mehdi El Nabaoui, a recuperar sensacións No que respecta aos homes, o número de competidores ascende até os 219 -25 máis que entre as mulleres-, e resulta de especial interese o certame dos 3.000 metros, que representa unha excelente oportunidade para calibrar o estado real dun Mehdi El Nabaoui que non exhibiu a mellor das súas versións na tempada de campo a través, aínda que nunha recente carreira sobre os 3.000 rexistrou uns magníficos 8.07.58. Outra proba atractiva é a dos valos, na que Santi Rozas se perfila como favorito e na que tan só o venezolano -sen dereito a podio- Gerson Vidal Izaguirre e o actual campión -Hugo Vázquez- poderían complicarlle o primeiro posto. Saltando aos concursos, o xergón de altura terá no subcampión galego 2021 de aire libre e pista cuberta, Andrés Vila, un home con ganas de lograr o ouro, meta na que terá Pablo Alonso como o seu principal adversario. |
PRAZA_19653 | ENTREVISTA Vitor Vaqueiro e Nicolás Xamardo afondam, no livro 'Da identidade à norma', em questões como a censura do reintegracionismo e as suas raízes. | A higiene democrática, a censura, a escolha ideológica do padrão normativo, o "consenso de dous séculos e meio", desde começos do século XVIII até o terceiro terço do XX, sobre a unidade do sistema galego-português, o "abuso de poder por parte do ILG", a identidade galega, a democracia ou o "teimoso projeto de afastamento do galego das suas raízes históricas e a sua vagarosa convergência prática com o espanhol". São os temas que trata Da identidade à norma. Língua, singularidade, consenso, antilusismo, reintegracionismo, jornalismo: de Galicia Confidencial a Sermos Galiza, (Laiovento), de Vítor Vaqueiro e Nicolás Xamardo. O discurso sobre as vantagens da maior convergência com o português está a estender-se, e também nas instâncias oficiais. De que modo queria este livro intervir no mesmo? Contribuindo, na medida que fosse, a por acima da mesa a necessidade dum debate sobre o que queremos para o futuro da nossa língua na Galiza e no mundo, dado que somos independentistas e internacionalistas. Isso, em primeiro lugar. Em segundo, a convidar a gente que esteja interessada no nosso idioma a que reflita na situação atual que, dum ponto de vista de higiene democrática não é defendível, dado que se estão a censurar textos, não pola sua qualidade literária ou intelectual, mas pola forma na que estão escritos. E, em terceiro, a mostrar que uma normativa não é uma questão só técnica, que tem implicações políticas, e que esta normativa, concretamente, contribui a enfraquecer a identidade galega. "Uma normativa não é uma questão só técnica, que tem implicações políticas, e que esta normativa, concretamente, contribui a enfraquecer a identidade galega" Começa o ensaio explicando como, já que os movimentos de emancipacão basco, catalão e galego consideram o idioma um factor essencial na definição da identidade, o Estado espanhol joga a dividir o campo dos seus adversários políticos, promovendo a ideia de que catalão e valenciano, por um lado, e galego e português, pelo outro, são línguas diferentes. Podes explicar melhor isto, como contexto do que acontece depois? Em realidade já quase o explicas ti perfeitamente na pergunta. O poder do estado decide, já por volta do ano 70, começar uma política de divisão, consciente do feito de que o fracionamento do campo dos que considera os seus inimigos -que a diversidade cultural se perceba como um perigo já orienta sobre a natureza cultural e política do Estado espanhol- constitui uma estratégia essencial para derrota-los e conseguir a sua desaparição que, queira-se ou não, é o seu desejo. Os poderes do Estado estariam mui felizes se atingirem um território monolíngue espanhol e uma única cultura, a espanhola. "Os poderes do Estado estariam mui felizes se atingirem um território monolíngue espanhol e uma única cultura, a espanhola" Segundo a vossa interpretação, o ILG joga, nessa estratégia, o papel de criar uma alternativa padronizadora que acople no projecto de um regionalismo no que a língua espanhola se reserva o lugar sobranceiro face às outras línguas, consideradas "autonómicas". Podes explicar mais da origem política deste projecto? Efetivamente, o ILG joga um papel mui negativo no processo de padronização do galego e nós pensamos que isso se deve a quem colhe nas suas mãos esse processo, um asturiano, Constantino García, que, no instante no que ascende ao lugar do que gere a normativização não tem nenhuma publicação em galego e o seu conhecimento do mesmo é, séndomos educados, escasso. Em realidade, Garcia atua movimentado por prejuízos, pola consideração de Galiza como uma "região" espanhola, como chega a dizer, à que, logo, lhe corresponderá uma língua autonômica, não soberana, mas dependente. Depois de anos exercendo o poder normativo absoluto, o ILG atual segue a esteira de quem foi o seu iniciador e máximo responsável durante anos. "Garcia atua movimentado por prejuízos, pola consideração de Galiza como uma "região" espanhola" Parte o livro, depois, da análise de Alain Badiou arredor da identidade. A defesa da identidade, diz o ensaio, deve envolver em primeiro lugar a purificacão de elementos conservadores e, em segundo lugar, o estabelecimento de uma ligacão entre o particular e o universal. Em que sentido? Em que sentido pode perceber-se o nacionalismo como vínculo entre o particular e o universal? Os inimigos das identidades não dominantes acostumam acusar as pessoas nacionalistas ou independentistas de serem mentes estreitas, rudes, nazionalistas, necionalistas. Do nosso ponto de vista, o galeguismo, soberanismo, independentismo, como ti queiras, deve-se situar no lugar de convergência de dous blocos de valores: aqueles estritamente nacionais que atingem a identidade -Língua, Cultura, Costumes e outros- e os universais como Solidariedade, Igualdade, Justiça, Liberdade, etc. Os valores universais são os que garantem não cair no racismo, na xenofobia ou no machismo, enquanto os particulares afiançam a nossa posição entre o conjunto de povos do mundo, oferecendo as nossas experiências, as nossas particularidades ao conjunto da humanidade. E duas cousas mais: não há possibilidade de universalismo se não está ancorado num lugar, como mostram os nomes de Macondo, El Toboso ou Dublim; e, ademais, é preciso a identidade própria purifica-la de elementos conservadores -racismo, sexismo...- para caminharmos numa direção de progresso e não de reação. "É preciso a identidade própria purifica-la de elementos conservadores (racismo, sexismo...) para caminharmos numa direção de progresso e não de reação" O imaginário espanhol formula o tópico das "outras línguas" como "minoritárias", em correspondência com o estereótipo das "minorias" basca, catalã. A que obedece esta estratégia? Justamente ao que comentamos antes. Para o Estado existem umas línguas minoritárias, secundárias, acessórias, prescindíveis, regionais e outra língua majoritária, principal, imprescindível, nacional, própria da nação espanhola. É uma estratégia de desrespeito e desprezo ao que não seja espanhol, digamo-lo entre aspas, e formula um combate político utilizando o imaginário, o econômico, o social e as suas poderosíssimas alavancas. Porque o Estado formula sempre as cousas da perspectiva contável e do número, como se uma verdade dependesse da quantidade de pessoas que a afirmam. Se assim for, Galileu, por por um caso, não teria razão, mas o tempo demonstrou que a tinha. "Para o Estado existem umas línguas minoritárias, secundárias, acessórias, prescindíveis, regionais e outra língua majoritária, principal, imprescindível, nacional, própria da nação espanhola" Para explicar que o galego não é língua minoritária na Galiza, -em qualquer caso seria o espanhol a minoritária e o galego a minorizada-, o livro utiliza dados que não estão muito actualizados. Por que? Os últimos dados do IGE são menos optimistas. Bom, eu diria que isso que comentas tem só uma parte de verdade. O livro terminou-se em 2013 e contem dados, vem-me agora à memória Henrique Monteagudo, de 2011. De todas maneiras, desejaria salientar que o texto não quere entrar em territórios da filologia ou da sociolinguística, mas nos da política; o texto não é um livro sobre a norma, mas sobre a política. Não desejávamos fazer projeções sobre o futuro do galego, nem analisar os retrocessos ou os avanços -que também os há´- da língua. Queríamos sublinhar outro tipo de questões, como a higiene democrática, a censura, a escolha ideológica do padrão normativo, o consenso de dous séculos e meio, desde começos do século XVIII até o terceiro terço do XX, sobre a unidade do sistema galego-português, o abuso de poder por parte do ILG, a identidade galega, a democracia ou o teimoso projeto de afastamento do galego das suas raízes históricas e a sua vagarosa convergência prática com o espanhol. "Desejaria salientar que o texto não quere entrar em territórios da filologia ou da sociolinguística, mas nos da política" Na prática, explica o livro, em muitos aspectos as normas do ILG-RAG tomam como referência o espanhol. Por exemplo, na acentuacão. Ou na aceitação do "ñ". Por que não pode suster-se, segundo vocês, nesses casos, o argumento de que se usaram razões pragmáticas de hábito (língua falada), didácticas...? É certo que também se desenvolveu uma linha de pensamento baseada no que ti apontas, quer dizer, no pragmatismo, na facilidade de aprendizagem da escrita e outros. Mas devemos entender que, além disso, quando Constantino Garcia afirma que somos -refere-se às pessoas que estão a normativizar- "separatistas" não se pode negar que está a introduzir uma categoria política, eixo central, e a romper um consenso histórico, que, na altura, durava, como acabo de dizer, já mais de dous séculos e que afirmava a unidade basilar do bloco galego-português. A partir da chegada de Garcia à direção do ILG começa a afirmar-se a ideia de que galego e português são idiomas distintos. É mais fácil aprender a escrita do galego a partir do espanhol? Sim, se consideramos que o primeiro está situado na órbita do segundo e que o dever da norma é ir abolindo a unidade histórica e banindo o português na mesma medida que se lhe abre a porta ao espanhol. No que atinge a acentuação, pergunto, não é estranho adotar uma acentuação dum sistema pentavocálico para um heptavocálico, rejeitando o heptavocálico que temos à nossa beira? Não subjaz nisto o conhecido quadrinho de Castelao, à beira do Minho, "e os da outra beira são mais estrangeiros que os de Madri"? "É mais fácil aprender a escrita do galego a partir do espanhol? Sim, se consideramos que o primeiro está situado na órbita do segundo e que o dever da norma é ir abolindo a unidade histórica" Mas o livro descreve também uma luta de poder, nos anos 70, entre o ILG e a RAG, na que Constantino García vai impondo o seu critério. Quem era Constantino García -antes e depois de ser director do ILG-, e quais eram, na vossa opinião, os seus objectivos a respeito do galego? Não quero fazer julgamentos sobre os objetivos de Constantino García a respeito do galego, porque não os conheço. Direi quem era, do ponto de vista acadêmico, nos anos finais da década dos 60 e começos dos 70. Era uma pessoa que, quando colhe as rédeas da padronização do galego, não tem nenhuma publicação nesta língua, como a sua bibliografia mostra. Quando dizemos no texto que Constantino Garcia é "ágrafo" em galego não se trata duma desqualificação senão que corresponde à comprovação duma evidência. E, nessa altura, Carvalho Calero possui uma produção criativa e crítica esmagadora, é membro da Academia e do Instituto Padre Sarmiento e dá aulas na Universidade em galego, cousa que não faz Garcia. Como em tantas ocasiões, a política fornece respostas: Carvalho combatera em prol da República, fora condenado a 12 anos de cárcere e expulso da docência durante 25 anos. Constantino Garcia, um ser, para nós, tóxico para a língua galega, não pode resistir a mais mínima comparação com Carvalho no que se refere a currículo, competência, dedicação e amor polo nosso idioma. Ora, existe uma ocorrência decisiva que a crueza dos feitos mostra e que se deduz do acontecido: no ano 1970, baixo a ditadura, Carvalho Calero era um ser insuportável para esta e Constantino Garcia, não. "Quando dizemos no texto que Constantino Garcia é "ágrafo" em galego não se trata duma desqualificação senão que corresponde à comprovação duma evidência" Constantino García descualifica as normas da RAG como "retrocesso", trás o qual Ramón Pinheiro, contradizendo o seu próprio discurso pró-lusófono, define o projecto do 'Gallego 1' como "interesante" e "antilusista". Que significa isto para a futuro da norma ILG-RAG? Que papel pensam que jogou o próprio Pinheiro, ademais de proteger a posição de Galaxia? Eu penso que Pinheiro, em linha como o seu pensamento profundamente pragmático e calculadamente ambíguo, segue -ou sinala- o caminho de muitas outras pessoas, cujas opiniões se recolhem em "Da identidade à norma", que mudam de opinião, porque os novos ventos da política o exigem. Estas mudanças contribuem a consolidar as posições "separatistas", no sentido de Constantino Garcia e a achegarem o galego ao espanhol. Historicamente, por outra parte, como afirmava Alonso Estraviz numa entrevista que, se não erro, ti mesma lhe realizaras, o nacionalismo sempre defendera a identidade linguística galego-portuguesa, mas nunca se atrevera a leva-la à prática. "Como afirmava Alonso Estraviz numa entrevista, o nacionalismo sempre defendera a identidade linguística galego-portuguesa" No 82 unificam-se as normas do ILG e da RAG, segundo afirma o livro, num processo pouco transparente. Em que sentido? Em várias ocorrências. Uma: quando Garcia Sabell, daquela presidente da RAG, convoca uma Junta Extraordinária para estudar as normas, na convocatória roga-se que o borrador não chegue aos meios, quer dizer, que de luz e taquígrafos, nada; duas: quando se celebra a Junta, só se convida La Voz de Galicia e Ideal Gallego; três: esse dia, um trabalhador da Academia, situado à porta, pergunta a cada pessoa a que meio pertence, consentindo o acesso de uns e negando outros; quatro: ainda que se fala de estudar o relatório, este já está preparado para a sua entrega ao prelo, o que converte a Junta numa pantomima. Cinco: uma questão tão importante como a padronização duma língua em situação de dependência leva-se a cabo sem consultar professorado, escritoras e escritores, associações de defensa da língua, profissionais, ou culturais, quer dizer setores envolvidos com o idioma, recaindo a decisão num conjunto de 27 pessoas; seis: ainda que os meios anunciam que são 27 as pessoas assistentes, em realidade só assistem 20; sete: furta-se a opinião do parlamento que, segundo se afirma, é onde repousa a soberania popular ... em fim, para que vou seguir. Provavelmente esta atitude se resume nas palavras de Constantino Garcia que se reproduzem exatamente no nosso livro e cito de memória e que afirmam que "eu não tenho que discutir nada com ninguém, porque tenho o poder e só tenho que colocar a minha gente nos postos de poder". Estas palavras, repugnantes do ponto de vista democrático, mostram uma mentalidade caciquista, autoritária e inadmissível para qualquer pessoa com um mínimo de sensibilidade. A isso era ao que me referia antes quando falava de abuso de poder por parte do ILG e por isso considero Constantino García um ser ateigado de prepotência, sem a mínima humildade e nefasto para a língua e a cultura galega, notadamente quando demonstra como demonstra uma mui escassa capacidade de razoamento científico. O caso que analisamos no texto da tomada de decisão de man antes do que mão é um exemplo paradigmático de insuficiência discursiva e de excesso manipulador. Seria impensável um ser com o seu perfil atingir a presidência de Euskaltzaindia ou do Institut d'Estudis Catalans. O discurso oficial considera, desde então, o português como "recurso fundamental", mas ao mesmo tempo empatiza as diferenças com o galego ou mesmo as "deficiências" do português, segundo o livro. Qual seria então o mecanismo que segue a sustentar isto, tendo em conta que o ILG e a RAG sim contam com pessoal formado em galego e em português, parte do qual sim fixo ademais trabalho de campo de lexicografia? Ao meu ver, o mecanismo essencial que terma desta situação é a ideologia. Como ti bem dizes, ILG e RAG contam com pessoal qualificado. Ora, eu perguntaria, pondo-me com retranca galega, e desculpa que usurpe a tua função perguntadora: tenho de acreditar na formação de Francisco Fernandez Rei, Rosário Álvarez, Ramón Lorenzo ou Xosé Xove e não na de Freixeiro Mato, Pilar Garcia Negro, Elias Torres, José Luis Rodriguez ou Celso Álvarez Cáccamo, por agir só no âmbito universitário, pessoas todas as citadas com milheiros de páginas escritas sobre o galego? A mim, defensor e orgulhoso do galego, deve-me outorgar muita confiança uma instituição que nasce com o nome de Instituto de la Lengua Gallega e tarda quase uma década em muda-lo ao atual? Devo eu confiar numa instituição que muda o nome de Real Academia Gallega para Real Academia Galega o ano 2000? Que grau de compromisso com o país e a democracia me deve merecer uma Academia da que Francisco Franco é membro até o ano 2009? Que devo pensar duma Academia na que praticamente o sessenta por cento dos seus membros pertencem à universidade de Compostela e às da Crunha e Vigo um zero por cento? Representa isso a realidade intelectual, linguística e cultural do país? "Que grau de compromisso com o país e a democracia me deve merecer uma Academia da que Francisco Franco é membro até o ano 2009?" Mas, -e este é também um dos argumentos do reintegracionismo-, não existe norma "oficial" nem galego "normativo", segundo os tribunáis. Por que? Porque o afirma uma sentença do Tribunal Superior de Justiça da Galiza que se baseia em que no Reino de Espanha não há normativas oficiais nem gráficas porque se assim for as pessoas estariam discriminadas em razão da ortografia, cousa que contradiz a constituição espanhola e o estatuto de autonomia, polo qual foi preciso que o governo galego tivesse de tirar da papelada oficial, DOG, etc. os conceitos de "normativa" e "oficial". Também porque magistrados do próprio TSJG redigem no seu dia sentenças em norma reintegrada que se aceitam. Que ocorre então? Que a magistratura pode escrever assim e os e as demais que o desejem não? Finaliza o livro com um estudo sobre a língua en Galicia Confidencial, Galicia Hoxe, Praza Pública e Sermos Galiza. Ficam fóra Dioivo, Mundo Galicia ou De Luns a Venres. Por que se inclui Galicia Hoxe, tendo en comta que desde que no 2011 deitaram todos os trabalhadores à rua (lingüistas e redactores), é pouco mas que uma carauta na que alguém passa um tradutor a notícias escritas em castelhano? Quero dizer, tendo em conta isso, é como se analisas a qualidade do galego da versão web em galego de La Voz ou do Faro, em lugar das poucas novas redigidas em galego que publicam. O único que podes analisar, se calhar, neste caso, é a qualidade de um tradutor automático. Como qualquer critério, o nosso pode ser discutível. Nós consideramos que a análise devia concretizar-se em jornais generalistas, que acolhessem política, deportes, música, economia, internacional, movimentos sociais, lezer, opinião, moda, ciência ... em fim todo o que ocorre a diário no país, no estado e no mundo. E, por outra parte, que a produção fosse regular, diária e que, com regularidade, atualizasse os conteúdos, quer dizer, que aparecessem entre dez e quinze notícias ao dia. Por isso, sem desbotar em absoluto o seu interesse que, em ocasiões é grande, não figuram Novas de Galiza, Diário Liberdade ou Mundo Galiza. "Nós consideramos que a análise devia concretizar-se em jornais generalistas" Não che falta razão no que atinge Galicia Hoje, mas não deixa de ser certo que o número de notícias desta publicação é, ou era, amplo, muito mais que nos casos que vimos de sinalar e que tem um certo número de pessoas colaboradoras que escrevem, ou escreviam em 2013, artigos especificamente para esse cabeçalho e que não especificava, como nos casos que sinalavas de La Voz ou o Faro, essa dupla versão galego|espanhol que aparece nestes. E, ao invés, permite já não só detectar a presença do tradutor automático, mas também o desleixo dum jornal que nem sequer se molesta em botar uma olhada depois de traduzir. Uma das conclusões é a relação entre qualidade linguística e maior achegamento à lusofonia. Nesse aspecto, Sermos seria o melhor. Com que critérios consideram esse maior achegamento ao terreno lusófono um signo de qualidade? Como bem sabes, o texto explica o método escolhido: agindo sempre, e isto é muito importante sublinha-lo, dentro do campo da normativa do ILG e não na reintegracionista, analisa-se o achegamento e o afastamento dos quatro cabeçalhos a essa normativa. A seguir, sempre com critérios assentados, teimo, no nosso idioma, comprovam-se os erros cometidos por cada um dos jornais no tratamento de questões estritamente próprias do galego: incorreta colocação de pronomes na frase, confusão dos pronomes te e che, castelanismos inaceitáveis, aparição de certos tempos verbais compostos inexistentes em galego, tradução literal de frases feitas, atafegante presença da construção espanhola que implica a presença de "a" entre o verbo ir e um infinitivo -vou a fazer, em troca da galega vou fazer-, confusões de gênero, ausência da flexão do infinitivo, etc. O resultado final da pesquisa podia-se resumir na fórmula de "quanto menor distância a respeito das opções da lusofonia, melhor qualidade do galego empregado". Neste sentido, e por este ordem, Sermos Galiza e Praza Pública são os menos incorretos, enquanto Galicia Hoxe o que pior qualidade exibe. "O resultado final da pesquisa podia-se resumir na fórmula de 'quanto menor distância a respeito das opções da lusofonia, melhor qualidade do galego empregado" Mas em geral, apreçam uma qualidade "mediocre", quando não total ausência de "interesse", e relacionam isso com a linha editorial: maior ou menor achegamento ao nacionalismo. Podem explicar isto? Nesse sentido, a direita do GH representaria o maior desleixo. Não estou mui certo que nós estabeleçamos a equação "a mais nacionalismo, melhor idioma" nalgum ponto do texto. Em primeiro lugar, os posicionamentos ideológicos são os que se tiram de informações recebidas dos próprios jornais e como se definem a si mesmos, bem como da linha que, num sentido ou outro, vão balizando o seu roteiro. Neste sentido, mesmo tentamos salientar que os resultados da pesquisa se focam no período analisado. O que nós afirmamos é que "a maior achegamento às opções da lusofonia, melhor qualidade do galego". E, com efeito, tens razão ao afirmares que Galicia Hoxe mostra o maior grau de achegamento ao espanhol e, ao tempo, representa o maior desleixo no tratamento da língua galega. "Galicia Hoxe mostra o maior grau de achegamento ao espanhol e, ao tempo, representa o maior desleixo no tratamento da língua galega" Que seja criticada a qualidade escassa da língua da mídia não é raro. Também não no caso do espanhol. Pode haver, então, outros factores, além da linha editorial, que a expliquem, e que não considera o livro, ou não tanto? -Refiro-me, por exemplo, à eliminação da figura do corrector linguístico, o qual é relevante num país em que as competências linguísticas em galego são pelo geral bastante deficientes-. É verdade que a qualidade da língua dos mídia é escassa, sejam estes os que forem. Ora, concordarás comigo que não é nada habitual que num jornal escrito em espanhol na Galiza alguém escreva "produció", "dijéronle" ou "asomada a la janela". A presença duma pessoa que desenvolvesse funções de correção linguística, com toda segurança, melhoraria o idioma escrito. Mas a questão na que devemos refletir é a de porque pessoas com titulação universitária, muitas vezes doutoras, muitas vezes pertencentes ao professorado da universidade (titulares ou catedráticas) não podem escrever um texto de quatrocentas palavras, um fólio, sem introduzirem quatro, sete, doze erros e isto um dia após outro, enquanto essas mesmas pessoas escrevem um espanhol impecável. "Por que pessoas com titulação universitária, muitas vezes doutoras não podem escrever um texto de quatrocentas palavras, um fólio, sem introduzirem quatro, sete, doze erros e isto um dia após outro?" Nesse sentido, a experiência de Xornal de Galicia deitou abaixo alguns tópicos. O uso do galego não se reservava neste jornal a certas datas ou certas páginas/secções. Mas a maioria dos redactores escolhiam trabalhar na língua em que sabiam escrever: o castelhano. Hoje, as possibilidades de acabar escrevendo em galego num meio de comunicação são ínfimas, -e jà não digo de viver disso-, devido ao desmantelamento da imprensa em galego. Como convencemos então aos jornalistas que se estão a formar agora da importância de formar-se em galego? Já sabes qual é a resposta: o problema do galego tem umas raízes alicerçadas no que se podem chamar condições objetivas -razoes sociais, econômicas e políticas- e outras subjetivas -baixa autoestima, insegurança, falta de decisão ...-. O convencimento, face os jornalistas e face a toda a sociedade, tem de ter em conta, necessariamente, esses dous eixos, incidindo, ousaria dizer que a partes iguais, nos dous vetores, o da objetividade e o da subjetividade. O labor não é fácil, mas o caminho deve ser o que sempre seguiu, em qualquer parte do mundo, a sociedade, o movimento, o setor que desejou empreender um projeto emancipador: definição precisa de objetivos, determinação e confiança nas próprias forças. Esse método foi o que forneceu vitórias que, antes de começar o confronto, se consideravam uma quimera. Os exemplos na história são inumeráveis. Como é lógico, a norma vigente não é a responsável da situação do galego, mas, justamente dentro das subjetividades, joga um papel importante, porque, no território simbólico, achega o galego ao espanhol. Por dizê-lo em palavras de Pompeu Fabra, o normativizador do catalão, o sistema de representação do galego é "demasiado espanhol" e isso é um fator mais que contribui a rilhar, de vagarinho, a nossa identidade. "A norma vigente não é a responsável da situação do galego, mas, justamente dentro das subjetividades, joga um papel importante" Tu mesmo mudaste de uma norma à outra, passando de publicar em Galaxia a publicar em editoras de menor tamanho. Uma das consequências foi que Palavras a Espártaco fora excluído de um prêmio. Desde aquela, ao menos abriu-se o debate com o manifesto sobre o "apartheid" do reintegracionismo, e houve avanços como um duplo volume publicado entre a AGAL e Xerais. Como vês a situação agora? Surprendeu-te a reação da "cultura galega" oficial nesse sentido? Eu acho dramático, não do ponto de vista pessoal, mas do da democracia, que um autor que leva publicando numa editorial trinta e cinco anos deva abandona-la por uma questão gráfica. Montse, se ti falas com responsáveis de editoriais, com membros da Real Academia Galega, com pessoas significativas da ciência, da cultura, mesmo do mundo empresarial com sensibilidade de país, reconhecem, em privado, a necessidade da convergência com o português. Mas existe medo, essencialmente de natureza política, das decisões de quem deseja perpetuar o galego na situação de dependência na que se acha. "Existe medo, essencialmente de natureza política, das decisões de quem deseja perpetuar o galego na situação de dependência na que se acha" Deste ponto de vista, a situação, democraticamente falando, é própria dum país ditatorial, no que os direitos individuais não se respeitam. Do meu ponto de vista, estritamente pessoal, a única saída realmente democrática seria aquela que, mantendo a norma chamada "oficial", permitisse o uso livre de grafias reintegracionistas em editoriais, concursos literários, relações com a administração, etc. Em resumo, que se reconhecesse a existência duma discrepância e que se aplicasse um critério aberto. Se desejarmos, que no ensino não se tocasse a norma atual, mas que se desse a oportunidade de debate em situações, polo menos, parecidas. De todas maneiras, antes ou depois, a justiça vai vencer porque, como ti sinalavas ao começo desta entrevista, está a avançar a ideia das vantagens de convergência com o português. Hoje existem editoriais, revistas, publicações diversas que não aplicam já a censura gráfica. "Do meu ponto de vista, estritamente pessoal, a única saída realmente democrática seria aquela que, mantendo a norma chamada "oficial", permitisse o uso livre de grafias reintegracionistas" Não sou quem de resistir, em relação com o que ti propões, falar do que significa a interiorização democrática, em relação ao conflito que apontas sobre o prêmio Victoriano Taibo, o Instituto de Estudos Miñoranos e o meu poemário 'Palavras a Espártaco'. Perante a situação gerada, o IEM, decidiu incluir, na seguinte edição, a restrição de normativa "oficial", conhecendo a sentença do TSJG, a discriminação legal, com a constituição e o estatuto na mão, o caráter antidemocrático da decisão e, notadamente, a sua imensa injustiça. Outras entidades, porém, com um espírito menos repressor, permitem o concurso baixo qualquer grafia premiando só a qualidade. |
NOS_57740 | A profesora da USC e escritora Montse Pena inicia con 'Letras miudas' unha colaboración semanal co semanario Sermos Galiza, unha nova porta para falar de literatura, cultura e moito máis. | - Que é 'Letras miúdas'? - A sección non é nova mais a miña intención é que máis que un espazo para a crítica de libros infantís e xuvenís e a súa visualización sexa tamén un espazo para opinar sobre cultura, literatura e animación á lectura. Tamén me interesa que ademais das novidades, que imos ir vendo saír nestes meses, podemos recuperar obras literarias galegas e da literatura universal que considero que con básicas e que poden axudar a gañar lectores. A literatura pode ser un motor de cambio social - 'A árbore xenerosa' e 'Fábulas de Esopo', as túas primeiras escollas para a sección. Por que elas? 'A árbore xenerosa' é un libro que adoito ler aos meus estudantes, que son alumnos e alumnas de Infantil e Primaria, no primeiro día de aulas. É un libro moi breve e que en moi poucos páxinas fainos reflexionar e activar a nosa capacidade crítica. Un libro que racha os preconceitos sobre a literatura infantil como que son libros sen profundidade. Este é un libro cunha lectura para os nenos e nenas e outra para o público máis adulto ou que eles teñen que facer acompañados por nós. `Fábulas de Esopo' supón ir ás orixes da literatura infantil, aos contos populares, ás historias de animais. Parecíame simbólico comezar esta sección con Esopo. - Son dúas obras traducidas ao galego. É a tradución un campo cada vez máis fértil na nosa literatura? - De cómo está a traducción é mellor que falen os tradutores. De todos xeitos, é unha casualidade (ri) Axiña veremos a forza que ten a literatura infantil e xuvenil en galego, a calidade dos textos que temos. Na LIX galega como na das outras linguas, continúa a haber prexuízos, esa idea de que son libros facilóns, de menor calidade - Ten a LIX (Literatura infantil e xuvenil) en galego un peso máis importante e unha calidade maior que a que se fai noutras linguas da Península? - Eu non estou moi de acordo, a LIX en xeral no ámbito peninsular e ámbitos veciños viviu unha experimentación moi importante nos últimos anos. Sobre todo polas súas capacidades para hibridar con outras artes, como a ilustración mais tamén a pintura, a fotografía ou tamén a música. No panorama galego o da música é unha característica propia, porque noutras literaturas fixéronse libros infantís de ópera ou música clásica pero aquí tirouse moito da música tradicional e das súas renovacións e relecturas. A LIX é un ámbito moi vizoso para experimentar con outras artes e iso foi motor da literatura infantil nos últimos 15 anos. Agora ben, na LIX galega como na das outras linguas, continúa a haber prexuízos, esa idea de que son libros facilóns, de menor calidade. Esa idea de que os libros xuvenís, por estar protagonizadas por pandas de rapaces e rapazas non teñen calidade literaria. Nalgúns casos pode que sexa así mais noutros son os libros que constrúen alguén nunha lectora ou nun lector. - Acreditas que a literatura ten un papel á hora de conformar unha persoa, tamén unha sociedade? Para min o máis importante da literatura e da lectura sempre será a compoñente ética. Quizás sexa utópico, eu sempre digo que a literatura pode ser un motor de cambio social e que ademais empeza por un mesmo. Os estudos sobre a lectura indican que o primeiro que fai a lectura é que nos coñezamos mellor a nós propios e a partir de aí podemos comprender mellor ao outro ou outra. En todo caso, eu sempre entendo a LIX e así o farei cos libros que recomende, como libros de calidade literaria. Libros que nos axuden a activar a conciencia crítica e que teñan esa calidade. - Tes analizado polo miúdo o tema dos feminismos na LIX galega ['Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia', Edicións Laiovento, 2018]. Até que punto existe, de habela, esa pegada da visión feminista na literatura galega? Haina. Pódese dicir que o feminismo é o movemento social que máis ten influído na literatura no último século e por varias cuestións: a recuperación de autoras, e relectura que se fixo de historia tradicional e como se puxo en solfa os papeis que se atribuía ás mulleres e nenas, nesa reivindicación de personaxes como bruxas e meigas… O feminismo é o movemento social que abre a porta a outros movementos, interacciona moi ben con eles: o multiculturalismo, as outras masculinidades, as identidades sexuais non normativas… |
PRAZA_20373 | O sistema fiscal español caracterizase, practicamente dende sempre, como un sistema claramente insuficiente, inxusto e non igualitario que favorece as rendas do capital en prexuízo das rendas do traballo. Un sistema fiscal que está moi infradotado de recursos –humanos, técnicos, informáticos…- o que dificulta enormemente o traballo dos funcionarios | "No 2012 o Goberno votou o anzol e tivo que poñer un cebo, senón os pececiños vanse a outro sitio ou quédanse no fondo do mar" (Cristóbal Montoro. Ministro de Facenda do goberno español) Se atendemos a maioría dos medios de comunicación e opinión de Galiza e España, cando algún medio internacional se refire a un estado cun moi elevado nivel de fraude fiscal, gobernado por un partido corrupto a cuxa fronte esta un xefe de goberno mentireiro e corrupto é que se está a referir, con toda probabilidade, a Venezuela. Un estado gobernado por un partido boliviariano PSUV (Partido Socialista de Venezuela) a cuxo fronte esta Nicolás Maduro. Pero, poida que non sexa así, que a quen se estea referindo realmente sexa a España, un estado cun elevadísimo nivel de corrupción e de fraude fiscal, actualmente gobernado polo partido mais corrupto de Europa –Partido Popular (PP)-, a cuxo fronte esta un gobernante mentireiro e tamén corrupto –Mariano Rajoy-. Aínda que as probas do anterior son continuas –por caso o número de expedientes xudiciais e de dirixentes imputados que agocha o PP- unha mais, politicamente moi relevante, tivémola moi recentemente cando o Tribunal Constitucional ven de anular a "amnistía fiscal" decretada por Cristóbal Montoro, Ministro de Facenda do goberno de Mariano Rajoy (PP). Unha amnistía que, como demostran tódalas evidencias, estaba pensada para beneficiar especialmente aos seus amigos implicados no maior escándalo de corrupción da democracia española. A pesar diso, non deberíamos considerar esta amnistía fiscal como un feito illado de goberno do Partido Popular (PP) senón como un novo elo dunha política fiscal orientada a favorecer as rendas altas, aínda mais do que xa, dende moi antigo, se veñen favorecendo en España. Vexamos as evidencias. 1. O sistema fiscal español caracterizase, practicamente dende sempre, como un sistema claramente insuficiente, inxusto e non igualitario que favorece as rendas do capital en prexuízo das rendas do traballo. Unha situación que se mantén no tempo a pesar dos relevantes cambios de goberno (UCD, PSOE, PP) habidos nos anos que levamos de democracia. España, é un dos estados da Unión Europa con menor presión fiscal: a recadación tributaria total de España equivale ao 33,6% do PIB, valor claramente por baixo tanto da presión media na Eurozona (40,2%) como no conxunto da UE (38,8%). Unha diferencial que supón unha perda de recadación equivalente a 53.933 millóns de euros (3.022 millóns en Galiza) con relación a media na UE e de 68.543 millóns de euros (3.835 millóns en Galiza) respecto a Eurozona Unha menor presión fiscal derivada, por unha parte, de que as rendas de capital en España pagan pouco e defraudan moito. Si, por caso, as rendas do traballo (traballadores e pensionistas) que suman o 47,5% da riqueza nacional (PIB) ingresan o 75% da recadación total do Imposto da Renda, as rendas do capital que recollen o 42% da riqueza nacional ingresan so o 25% de tal recadación: a discriminación fiscal, a favor das rendas de capital, aparece como indiscutible. Unha discriminación que en Galiza aínda é superior por mor dun menor peso na riqueza galega das rendas do traballo (44%) e un maior das rendas de capital (46%). Esta realidade viuse reforzada polas sucesivas reformas dos gobernos en curso. No ano 2014 o goberno español de torno (Mariano Rajoy), con Cristóbal Montoro ao fronte do Ministerio de Facenda, aprobou unha reforma fiscal que afectaba ao IRPF, IVE, Sociedades e outros impostos. Unha reforma que recibiu numerosas críticas entre os especialistas tanto por que non viña a resolver ningún dos problemas sistémicos da fiscalizade española ("un parcheo") como por ser claramente insuficiente e inxusta. Así dita reforma non resolveu o crónico problema de suficiencia e viu a beneficiar maiormente as rendas altas reducindo a progresividade do sistema e acentuando o carácter inxusto e falto de equidade do mesmo –por caso, reducindo tramos e subindo impostos indirectos-. Pero o que si tivo esta reforma ("inoportuna e precipitada") foron efectos secundarios: produciu unha notable redución dos ingresos fiscais (vía IRPF e Imposto de Sociedades) acentuando o seu carácter de insuficiente e facendo que se incrementara o déficit público (+1%). 2. Hai unha amplísima coincidencia entre os expertos de que outro dos grandes problemas que agocha o sistema fiscal español é a elevada fraude fiscal. Coincidencia que se estende as causas da mesma: falta de vontade política para loitar contra a fraude. Unha falta de vontade política que se ve reflectida no feito de que os resultados da loita contra a fraude fiscal veñen minguando ano a ano. A explicación desta realidade é moi clara: o goberno español dedica o 90% dos medios e recursos da Axencia Tributaria a perseguir a pequena fraude fiscal, mentres que o seguimento das grandes fortunas (por caso as localizadas no IBEX35), onde reside unha grande parte da fraude fiscal (72%), dedícanselle escasos medios. Uns medios por outra parte cada ano mais reducidos: dende que o Partido Popular (PP) está a fronte do goberno español a Axencia Tributaria conta con 2.000 efectivos menos e o 90% foron baixas na loita contra a fraude fiscal. Para entender a gravidade desta situación sáibase que a fraude fiscal fai que o estado español perda de recadar uns 90.000 millóns de euros ao ano, equivalentes ao 8% do PIB –en Galiza uns 5.300 millóns equivalentes ao 9% do PIB galego: un punto superior a media española por mor do narcotráfico-. E por si a situación non tivera a suficiente relevancia o goberno do PP aprobou no seu día unha amnistía fiscal (2012). Auténtico escándalo –lémbrese que o goberno, entre outras, prometía aos/as defraudadores/as perdoarlle a fraude á cambio de abonar so o 10% dos xuros que puidera ter orixinado o diñeiro defraudado nos tres derradeiros anos- que o mesmo Tribunal Constitucional non tivo mais remedio que anular por, entre outras razóns, "supor unha abdicación do Estado …..crebar o obxectivo de xustiza fiscal a que debe tender o sistema tributario ….afectar a esencia mesma do deber de contribuír ao sostemento dos gastos públicos". Escándalo maiúsculo cando, como se sinalaba ao principio, empezaron a coñecerse os/as auténticos/as beneficiarios/as de tal amnistía fiscal (membros da aristocracia, políticos imputados por practicas corruptas, banqueiros…..): na práctica tal amnistía fiscal viña tanto a lexitimar as practicas corruptas do PP (Partido Popular) como a confirmar que en España "defraudar sáelle moi barato …. aos grandes defraudadores". As amnistías fiscais –en España antes desta de C. Montoro houbo tres mais, unha con goberno de UCD e dúas con gobernos do PSOE- ademais de supor de seu un agravio comparativo para os cidadáns contribuíntes que vimos cumprindo coas nosas obrigas fiscais nin sequera serven para cumprir os obxectivos recadatorios fixados xa que nunca se cumpren como novamente viu a demostrar esta última amnistía: fixaranse 2.500 millóns de euros de recadación e as fontes mais fiables falan de que foron 1.200 millóns os que realmente se recadaron. Para mais bochorno se nos informa que mais do 11% dos que se acolleron a amnistía fiscal seguiron logo defraudando. 3. Un sistema fiscal que, como veñen denunciando os técnicos e funcionarios da Axencia Tributaria, está moi infradotado de recursos –humanos, técnicos, informáticos…- o que dificulta enormemente o traballo dos funcionarios, moi especialmente en aspectos tan decisivos como a loita contra a fraude fiscal e/ou a descentralización da xestión tributaria. Si miramos aos estados europeos do noso entorno veremos que España está moi por baixo tanto no que fai referencia a persoal como a medios técnicos: si a media na Unión Europea é de 1 funcionario por cada 1.000 contribuíntes en España é de 1 funcionario por cada 2.000. (www.eldiario.es/agendapublica/nueva-politica/GRAFICO_0_228178109.html). Unha escaseza de recursos que se acompaña, como expuxen mais atrás, dunha mala distribución dos mesmos tanto a nivel territorial como de ámbitos de xestión. Hai tamén unha excesiva politización dos cargos medios e altos –demasiados cargos de libre designación-. Unha realidade que se viu acentuar coas políticas de austeridade que se puxeron en marcha co gallo da crise financeira. Todos estes eslavóns forman unha cadea que impide que en Galiza, como en España, teñamos un sistema fiscal como reflicte, por caso, a Constitución Española (Art. 31.1.: "… xusto, inspirado nos principios de igualdade e progresividade ..") e que, no seu lugar, proliferen as políticas fiscais que favorecen a corrupción, a desigualdade social e territorial, a inxustiza. Unha cadea que, ao día de hoxe, os dous grandes partidos españois (PP, PSOE) non quixeron, ou non foron quen, de romper. P.D.: Moitas das informacións e datos aquí recollidos poden atoparse na páxina web de GESTHA (www.gestha.es). |
NOS_20532 | En Ourense, na cidade na que saiu publicada a revista hai 93 anos, celebran o mércores día 30 de Outubro o "Día de Nós". Quen promove a programación da xornada é unha asociación creada xa para preparar o centenario da publicación, dentro de sete anos. | Ourense é a casa de Nós, do grupo e a revista que marcaron un fito na historia cultural galega. A Ourense literaria ten nos homes de Nós algúns dos seus principais referentes e, neste sentido, a celebración do "Día de Nós" promovido pola Asociación Pro-Centenario Nós 2020 ten vontade de se consolidar como data no calendario cultural galego. Nesta edición, cando se cumpren 93 anos da edición da revista o día 30 de outubro celebrarase ás 17 horas un acto festivo e roteiro con ofrenda floral aos escritores ourensáns no cemiterio de San Francisco. A seguir, ás 21 horas co título "LerNós" desenvolverase na Tetería Grándola unha leitura de textos literarios da época da man de Iria Pinheiro, Celia Parra, Manuel Outeiriño e A RunRun Teatro. |
NOS_4612 | O proceso de retirada de carburantes do buque varado na ría de Ares rematou na tarde desta segunda feira, 2 de decembro. Pouco antes, produciuse unha vertedura no mar. | O buque Blue Star fica xa sen carburantes no seu depósito, após seren mesturados fuel e gasóleo. Os traballos remataron na tarde desta segunda feira 2 de decembro. Pouco antes, contra as 11 da mañá, producíase un vertido de dez litros de combustíbel sobre o mar, o que produciu unha mancha de cinco metros cadrados. O vertido debeuse á rotura dunha das mangueiras que levaba o combustíbel entre a popa e o tanque de proa. A retirada produciuse este 2 de decembro, a pesar de que xa a 24 de novembro o delegado do Goberno na Galiza, Javier Losada, asegurara na Radio Galega que "a prioridade" era "baleirar" de combustíbel o 'Blue Star', encallado na ría de Ares. Losada admitira que o 'Blue Star' contiña a bordo 45 toneladas de fuel e 60 de gasóleo "para a navegación". Preguntado sobre o risco de contaminación, Losada insistiu en que estaban en alerta as barreiras de Fene, Ferrol e A Coruña "por for preciso actuar". Durante a extracción nesta segunda feira, mantivéronse na zona o remolcador 'Don Inda', de Salvamento Marítimo e o 'Salvamar Betelgeuse', así como o remolcador 'Ría de Vigo', da Xunta. Tamén sobrevoou o lugar o helicóptero 'Pesca 2' da Xunta, para comprobar se a vertedura afectara á costa. Outro remolcador continuou cun cabo unido ao Blue Star, contratado pola empresa SMIT Salvage, á súa vez encargada polo armador para o rescate do buque. |
PRAZA_782 | Adif licita por 69 millóns o contrato para implantar o sistema de seguridade que faltaba en Angrois e que non se poñerá en marcha ata 2017. | A liña ferroviaria do Eixo Atlántico galego contará por fin con ERTMS, pero tardará máis dun ano en estar en marcha. O Boletín Oficial do Estado (BOE) vén de publicar este martes a licitación por parte de Adif do contrato para dotar deste sistema de seguridade a liña A Coruña-Vigo por uns 69 millóns de euros. O anuncio chega moitos meses despois do grave accidente de Angrois e tras a polémica, xa que os expertos insisten que o devandito sistema de seguridade tería evitado o sinistro. Adif licita por 69 millóns a instalación do ERTMS na liña A Coruña-Vigo Non obstante, e logo da inauguración do novo Eixo Atlántico o pasado luns e da súa posta en marcha nas vindeiras semanas, este non contará co ERTMS ata, cando menos, ano e medio despois. O prazo máximo de execución das obras é de doce meses a partir da adxudicación, mentres que o das probas de validación e posta en servizo é de medio ano. E as empresas terán aínda ata o 1 de xuño para presentar as súas ofertas. Así, durante o seu primeiro ano e pico a liña circulará co sistema de seguridade das vías convencionais, o ASFA, que impide que os trens superen os 200 km/h. En 2017, cando estea operativo o ERTMS, as máquinas poderán xa superar esa velocidade. A instalación deste sistema chega mesmo antes do previsto, xa que non estaba pensado instalalo ata que toda a liña ata Madrid estivese rematada, pero o accidente fixo que se adiantasen os prazos, aínda que durante un tempo o percorrido entre A Coruña e Vigo non contará co devandito sistema. O primeiro ano e medio a liña de velocidade alta do Eixo Atlántico circulará co sistema ASFA e non co ERTMS O ERTMS (Sistema Europeo de Xestión do Tráfico) é un sistema de mando e control de trens que foi adoptado pola UE para equiparar todas as novas liñas que se constrúen nos Estados comunitarios e ten como obxectivo que a sinalización e as comunicacións entre a vía e os equipos de a bordo sexan compatibles en toda Europa e se facilite a interoparabilidade. O ERTMS achega datos sobre a velocidade máxima en cada punto ou distancia ata a seguinte baliza, así como o cálculo e a supervisión da velocidade de circulación do tren en cada momento. Conta ademais con dúas variantes: o GSM-R que permite a comunicación por radio cos trens, e o ETCS, que impide que o tren supere a velocidade máxima permitida e que, segundo expertos e peritos, tería evitado o sinistro de Angrois onde faleceron 79 persoas. A oposición leva meses advertindo das deficiencias de seguridade coas que conta a liña do Eixo Atlántico a raíz daquel tráxico accidente do Alvia, que carecía do sistema. "A seguridade debería ser unha prioridade para Fomento após do sinistro ferroviario. Unha seguridade que presupoñíamos que sería a prioridade do Ministerio e que implicaría a adopción de medidas preventivas como a mellor garantía para evitar accidentes de tan terríbeis consecuencias", dicía non hai moito a deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, logo de presentar unha iniciativa parlamentaria na que solicitaba a Fomento que os trens circulasen co sistema ERTMS desde o principio. Non será así e haberá que agardar ata 2017. |
NOS_1346 | A cidade natal do histórico nacionalista percorrerá o 1 de xuño, por segundo ano consecutivo, os lugares máis representativos da súa infancia e mocidade. | Xurdida en 2011, cando se conmemoraba o 75º aniversario do seu asasinato, a iniciativa de lembrar a memoria do histórico dirixente do partido galeguista sempre estivo presente en moitos colectivos da cidade. Agora, este segundo ano, este proxecto xa é toda unha realidade. Naceu aberto a toda a sociedade e a idea, segundo a organización é "lembrar o aniversario do nacemento de Alexandre Bóveda na súa cidade natal e concienciar á sociedade ourensá da relevancia de Bóveda no país". Ademais procuran redescubrir a súa figura en Ourense e festexar dun xeito lúdico a súa entrega por Galiza. Realizarase a terceira parada na rúa Cardenal Quiroga, sede do Partido Galeguista, cando se chamaba a rúa Alba. PercorridoO roteiro terá as seguintes paradas. Comezará ás 22 horas na rúa do Paseo, diante da antiga Ibense, e realizará unha primeira parada na Delegación de Defensa, antigo local do círculo católico onde o Bóveda mozo asistiu a clases nocturnas de debuxo impartidas por don Luís Xesta. Despois continuará até as Galerías Sol, na rúa Santo Domingo, que fora sede da administración e redacción da Revista Nós. Logo realizarase a terceira parada na rúa Cardenal Quiroga, sede do Partido Galeguista, cando se chamaba a rúa Alba. Nela impartiu varias conferencias, entre elas a do 9 de outubro de 1933 co título Un ano de aituación do Partido Galeguista e novos rumbos. Partirase despois cara o Teatro Principal na rúa da Paz onde pronunciou unha conferencia titulada Aspectos económicos do estatuto o 31 de xaneiro de 1933. Neste lugar estaba a sede da Coral de Ruada, da que formou parte Bóveda. Tanto esta entidade como o Orfeón Unión Orensana foron dúas das entidades musicais máis relevantes do momento en Ourense, e Bóveda formou parte das dúas. O último alto vai ser na súa casa natal, na rúa da Barreira n º16. |
PRAZA_11252 | Os restos do xeneral fascista saen do Valle de los Caídos entre berros de "viva Franco" por parte dos seus familiares e máis de catro décadas despois da súa morte | Case 44 anos despois de que o ditador Francisco Franco fose enterrado con honras no Valle de los Caídos os seus restos saíron da basílica con dirección ao cemiterio público de Mingorrubio-El Pardo, poñendo fin a décadas de permitida exaltación nun lugar propiedade de Patrimonio Nacional. A data do 24 de outubro quedará sinalada nos libros de Historia e nas hemerotecas das moreas de medios de comunicación de todo o mundo que cubriron o acontecemento. Foi pouco antes da 1 do mediodía cando o féretro saíu, portado por varios familiares do ditador, entre eles Luis Alfonso de Borbón, logo de algo máis de tres horas de traballos. O cadaleito foi introducido nun vehículo fúnebre logo dun último responso e entre berros de "viva España" e "viva Franco" por parte dos familiares do xeneral fascista e que foron perfectamente audibles na retransmisión en directo que ofreceu o Executivo central a través da súa web. Á chegada ao helicóptero, varios dos militares encargados da aeronave cadráronse ante Francis Franco, neto do ditador. Despegou ás 13.30 e chegou ao cemiterio de Mingorrubio cinco minutos antes das 2 ante unhas 200 persoas que, brazo en alto, vitoreaban a Franco. Antes insultaran o presidente do Goberno central e aos xornalistas alí presentes. O féretro de Franco saíu pouco antes das 13 horas do Valle de los Caídos, 44 anos despois da súa morte e tras décadas de exaltación fascista no seu mausoleoMáis de catro décadas tras a morte do ditador --e 22 anos con gobernos do PSOE-- o xeneral fascista saíu por fin dun lugar construído por presos do réxime e concibido como homenaxe ao franquismo, permitido aínda en democracia. Alí xacen 33.000 mortos de ambos bandos da Guerra Civil e máis de 110.000 represaliados polo fascismo continúan en cunetas e foxas comúns por todo o Estado. A exhumación é só un dos moitos capítulos que aínda quedan pendentes na memoria histórica do Estado. Entre eles, tamén, a retirada de honras a cargos do réxime fascista ou a recuperación de todas as propiedades que foron espoliadas polo franquismo e a familia do ditador, como as estatuas do Pórtico da Gloria, polas que pelexa por vía xudicial o Concello de Santiago, ou o Pazo de Meirás, do que unha demanda da Avogacía do Estado vén de reclamar a súa recuperación para o patrimonio público entre recursos e atrancos dos herdeiros do ditador. Precisamente alí, no Pazo de Meirás, adoita lucir aínda un enorme panel no que a Fundación Francisco Franco alude ao "xenocidio dos católicos españois", censura o "sadismo" e "crueldade" da Fronte Popular e ataca aqueles que avogaron por exhumar o corpo de Franco do Valle de los Caídos, que define como "o monumento funerario máis importante erguido pola humanidade no século XX". "Isto retrotráenos a 1936", di unha das frases. A Xunta mesmo instara á Fiscalía a abrir unha investigación por se puidese haber delito por apoloxía do fascismo. Nada se soubo. O Pazo de Meirás, que o Estado reclama a través dunha demanda, fai apoloxía do franquismo e critica nun cartel a exhumación de FrancoFernando Souto, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña, lembra o impactante de que en Meirás se faga apoloxía do franquismo e contra a exhumación sendo un Ben de Interese Cultural (BIC). Ademais, considera que "aínda que a exhumación non debera ser unha noticia", responde ao deber de que "un ditador non sexa merecedor de honras nun Estado de deretio que pretende avanzar na democracia e na convivencia". "É un xesto simbólico, pero debería ser o principio de moitos máis", engade. Iniciativa Galega pola Memoria, pola súa banda, advirte da "situación anómala" no Estado "respecto dos dereitos humanos" que "queda reflectica na tardanza na retirada dos restos do ditador e as controversias que houbo a respecto do seu culto e apoloxía dos seus crimes". "Esta vitoria do movemento memorialístico non debe facernos esquecer o moito que queda por facer", asegura a entidade nun comunicado. Mentres, durante o proceso para a exhumación de Franco, varios centos de manifestantes fascistas concentráronse desde ben cedo á entrada do Valle de los Caídos ou no cemiterio de Mingorrubio con símbolos franquistas e cánticos a prol do ditador ou contra o Goberno central. Entre eles, o tenente coronel golpista Antonio Tejero, que foi recibido con vítores e mesmo axudado por axentes da policía para superar a multitude. Ademais, a familia Franco, a través dun dos netos do ditador, Francis Franco, intentou tamén lucir unha bandeira franquista no Valle de los Caídos, tal e como fixo á mañá á saída do seu domicilio. Portouna dobrada en varias imaxes, aínda que non foi pousada enriba do féretro, como pretendía, senón que foi interceptada por varios axentes. Xa fóra, berrou "viva Franco" xunto aos seus familiares, ante a ollada, afastada, da ministra de Xustiza en funcións, Dolores Delgado, que asistiu ao acto como notaria maior do Reino. Sánchez deféndese das críticas de electoralismoO presidente en funcións do Goberno central, Pedro Sánchez, asegurou nunha comparecencia pública que "a España actual é froito do perdón, pero non pode ser produto do esquecemento". Para o xefe do Executivo, a exhumación pon fin a un "agravio" e di, ante as críticas de electoralismo, que o proceso fíxose cando foi posible "nin un día antes nin un despois". "Cando o Valle de los Caídos volva abrir as súas portas, os que accedan vanse atopar un sitio distinto porque serán todo vítimas", dixo. Desde os partidos políticos, o PP evitou falar da exhumación pero difundiu unha campaña na que pide "centrarse nas cousas que realmente inflúe nos españois". "Pasado ou presente? Futuro", responden os populares. En Ciudadanos, o seu líder, Albert Rivera, criticou que "desenterrar os ósos dun ditador" fose "a prioridade do Goberno". En Galicia, o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, dixo "respectar e acatar" a sentenza da exhumación de Franco, pero avisou de que os problemas de España "seguen". Galicia en Común, pola súa banda, celebrou a saída dos restos de Franco de Cuelgamuros pero apelou a "non esperar a outra campaña" para a recuperación de Meirás. No BNG, a súa portavoz, Ana Pontón, destacou a "boa nova" malia chegar "con 40 anos de atraso". "Queda moito traballo por facer para acabar con todo o residuo tóxico do franquismo que contamina a democracia", dixo. Pola súa banda, a voceira do Bloque en Europa, Ana Miranda, destacou que a exhumación é "só un paso" no cumprimento das directrices que marca a Resolución contra o avance do fascismo en Europa, aprobada polo Parlamento Europeo hai xusto un ano. |
NOS_11061 | Os nacionalistas manteñen que esa recomendación "xera medo e desconfianza" nos colexios electorais e "discrimina" as forzas que non teñen capacidade para facer mailing | O BNG presentou un recurso de reclamación perante a Xunta Electoral Central (XEC) contra o Protocolo que establece as medidas para o desenvolvemento da xornada electoral aprobado polo Goberno da Xunta, no que se inclúe a recomendación expresa de que as persoas electoras "leven o voto xa preparado desde o domicilio". A formación nacionalista considera que esta recomendación "atenta contra a pluralidade democrática e contra o principio de igualdade entre as distintas forzas que se presentan". A coordinadora de campaña, Goretti Sanmartín, sinalou que "esta recomendación provoca medo e desconfianza nas e nos votantes, cando o principal empeño da Administración debe ser garantir a seguridade dos colexios electorais. A Administración non ten que asustar senón garantir que os locais electorais son lugares de confianza para o desenvolvemento da xornada electoral", explicou. A maiores, o BNG considera que dita recomendación "supón unha discriminación que penaliza ás forzas políticas con menor capacidade económica a favor das que teñen máis recursos para facer un envío masivo de papeletas, porque non todas as organizacións poden sufragar ese correo masivo e outras só poden facer un envío parcial, por exemplo, cunha única papeleta por domicilio e non por persoa electora". Ademais, engaden, esta recomendación ven precedida da resposta negativa do PP á proposta do BNG de facer un mailing conxunto. A formación nacionalista tamén alega que existe a opción de non recibir propaganda electoral, un dereito que exercen milleiros de electores, "feito que, xunto coa práctica imposibilidade de realizar distribución de material na rúa, contradí a recomendación da Xunta", alega a coordinadora de campaña do Bloque. "A liña que defendemos desde o BNG, -recalca- é que a Administración garanta que o proceso electoral se desenvolva con normalidade, con garantías sanitarias e democráticas, sen atentar contra o dereito básico da poboación a exercer a votación nos locais electorais habilitados para ese fin". Sanmartín tamén se referiu ao voto por correo, empezando por destacar "a profesionalidade e bo facer de todo o persoal de correos a cargo deste proceso", de tal xeito que, neste aspecto, "a única preocupación do BNG é reclamar que se reforce o servizo cos efectivos necesarios para atender o proceso e que todo o persoal conte cos medios que lle permitan traballar con todas as garantías sanitarias". Tras valorar que a Xunta Electoral tumbase a pretensión do Goberno de votar usando a denominada chave administrativa 365, o Bloque volve denunciar "que hai ambigüidades e perigos" nun sufraxio por correo masivo. Coa proposta da Xunta, considferan as nacionalistas, se a persoa que recibe a documentación da man do traballador de correos na súa casa non emite o voto nese momento, abre a porta a que unha terceira persoa poda manipular ese sufraxio e depositalo máis tarde na oficina postal sen que sexa necesaria ningunha identificación. "Que garantías hai de que ese voto chega a destino sen ser manipulado? Unha terceira persoa pode manipular e entregar non só un único voto senón que pode facelo con ducias ou centos de votos entregados por correo. Unha persoa pode votar por dez, unha única persoa pode votar por cen, dando lugar a un claro caso de carretaxe de votos que non sería admisible nunha democracia moderna como a nosa, e esa posibilidade existe", advirte a coordinadora de campaña. |
NOS_56990 | Máxima tensión en Venezuela: o candidato da oposición pide aos seus siareiros que se concentren ante os organismos electorais, que fagan unha 'cacerolada', aliás de afirmar que hai militares presos "por defender a constitución". O Exército chamou a respeitar a vontade democrática expresada polo pobo. O Parlamento de Venezuela pedirá investigación penal a Capriles para determinar a responsabilidade nos actos de violencia destas horas | Incendio de sedes do PSUV en Barinas, Táchira ou Anzoategui. Ataques ao transporte urbano nos barrios altos de Caracas, con incendios de varias unidades. Agresións a cargos chavistas en Anzoategui. Mesmo dous militantes do PSUV asasinados a tiros por simpatizantes do sector máis duro da poposición. Queima de centros de saúde ao berro de "Cuba non, Venezuela si", pois nestes centros traballan sanitarios cubanos. Opositores ao chavismo están a provocar unha regueira de actos violentos en Venezuela, segundoestán a denunciar medios venezolanos. Unha tensión que se produce após a primeira 'cacerolada' convocada polo opositor Capriles para protestar contra o que cualifica de "fraude á democracia". O embaixador español, Margallo, subscribe públicamente as exixencias de Capriles dun reconto. Venezuela chamou a consultas ao seu embaixador no Estado español Nicolás Maduro é "un presidente ilexítimo" que merece ser contestado na rúa con "caceroladas que fagan sentir a nosa rabia" e mobilizacións e concentracións "ante o Consello Nacional Electoral". O candidato da oposición, Capriles, négase a recoñecer os resultados das eleccións deste domingo, que sinalan unha vitoria de Maduro ( 50,7 dos votos). Unha postura que nestas horas vén de ter o aval e apoio de Estados Unidos, que a través do Departamento de Estado pide que Maduro non sexa proclamado presidente até que se faga a auditoría dos votos pedida por Capriles. Tamén a OEA (Organización de Estados Americanos) se suma a esa posición. A Capriles non se lle pode negar que falou clariño: chamou os seus siareiros a saíren á rúa, ben a concentrase con caceroladas, ben a manifestarse esta cuarta feira ante os organismos electorais. Todo iso para pedir que se conte "voto a voto" e estender a mensaxe de que estas eleccións non foron xustas. Maduro considera que Capriles está a alentar un "golpe de Estado" Exército Incluso dixo que había militares presos por defender a constitución neste proceso, unha acusación que deitou sen probas. Todo apunta a que os Estados Unidos estarían a animar aos sectores militares que se levantaron en armas contra Chávez no golpe de 2002 a que cuestionen abertamente a lexitimidade da vitoria de Maduro, co obxectivo de desestabilizar o país e criar a sensación de que o chavismo non é capaz de retomar o control. No caos gañaría Capriles, que xoga a desgastar ao sucesor de Chávez. En teoría a maior parte dos cadros militares manteñen a súa adhesión ao goberno bolivariano. Esa é neste momento a grande baza de Maduro para resistir a fortísima presión que van exercer contra el a oposición interna e o Imperio norteamericano. |
NOS_38980 | As dúbidas legais pairan sobre o proxecto para instalar unha central hidráulica de bombeo no Valadouro. Mentres medra a oposición veciñal contra a instalación, expertos consultados por 'Nós Diario' entenden que non se axusta á normativa. A plataforma contra o complexo acordou onte novas medidas. | "A central do Xistral incumpre a lei", sinala a Nós Diario Emilio Díaz, profesor de Proxectos de Enxeñaría na Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e membro do grupo de investigación que xestiona o programa "Life in common land", unha iniciativa promovida pola Deputación de Lugo e as universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, cuxo obxectivo é "reverter diversas ameazas que afectan aos hábitats na Serra do Xistral". Segundo Díaz, os riscos que enfrontan os hábitats na Serra do Xistral son "o progresivo abandono dos usos tradicionais, principalmente o pastoreo, o que dá lugar a alteracións na composición e configuración da paisaxe, a ambigüidade e pouca definición nas directrices de xestión ambiental, a degradación dos hábitats ligados á actividade humana, o cambio climático e as difíciles condicións das áreas de montaña que levan a unha perda paulatina da poboación". Díaz afirma que a central hidroeléctrica do Valadouro vai situada "sobre tres tipos de hábitats naturais denominados turbeiras altas activas, turbeiras de cobertor activas e breixos húmidos atlánticos, tres tipos de hábitats que se consideran prioritarios, ao estaren ameazados de desaparición na Unión Europea". Neste sentido, estes terreos requiren dunha especial protección polo seu alto valor, ficando recollido o mesmo na propia normativa ditada polo Goberno galego. ZEC do Xistral A zona afectada polo proxecto hidráulico está incorporada á Zona de Especial Conservación (ZEC) do Xistral. As ZEC son áreas de grande interese ambiental para a conservación da diversidade, as cales foron designadas polos Estados membros da Unión Europea para integrarse dentro da Rede Natura 2000. O Decreto 37/2014, de 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria da Galiza e se aproban o Plan director da Rede Natura 2000 da Galiza define esta zona como área de protección e conservación. O complexo enerxético promovido polo grupo aragonés Atalaya Generación ocupa a denominada área de protección do ZEC do Xistral. Segundo estabelece o Decreto 37/2014, a área de protección busca "asegurar a conservación ou, no seu caso, restauración das paisaxes, ecosistemas, hábitats protexidos e áreas prioritarias para as especies silvestres de fauna e flora para lograr os obxectivos de conservación da Rede Galega de Espazos Protexidos e da Rede Natura 2000" e o "mantemento dos usos tradicionais por parte da poboación local, evitando aqueles que supoñan un risco grave para a conservación ou dinámica dos hábitats naturais". Usos permitidos nas áreas de protección O artigo 68 do Decreto 37/2014 marca que os únicos "usos e actividades autorizábeis" de carácter enerxético nas áreas de protección son "a instalación, reforma ou modernización de pequenas instalacións non industriais de produción de enerxía renovábel (fotovoltaica, solar térmica, biogás autónoma...) destinada ao autoconsumo tanto de particulares como para o servizo das explotacións". Nese sentido, Díaz entende que "a posta en marcha dunha central hidroeléctrica de bombeo destinada á produción industrial choca coa normativa de aplicación". "É evidente que unha actuación deste tipo choca cos usos autorizábeis", continúa Díaz, que en relación con toda a rede de canalización subterránea prevista na instalación -que nalgúns casos está formada por túneles de 10 metros de diámetro- sinala que "se escavas, destrúes as turbeiras de cobertor, que son uns solos moi finos. Unha actuación deste tipo nestes hábitats é irreversíbel, isto non é céspede, son sistemas moi fráxiles e complexos". Díaz salienta o impacto deste proxecto para as dez comunidades de montes que fan parte do programa "Life in common land". Precisamente, unha delas, a comunidade de montes de Vilacampa, parroquia do Valadouro onde está previsto un encoro cunha extensión de 73,2 hectáreas, ten manifestado o seu rexeitamento ao complexo hidroeléctrico polo seu importante impacto económico. A construción da mesma impediríalles continuar coa actividade gandeira que desenvolven. A asociación de veciños de Recaré tamén fixo pública na xornada de onte a súa oposición á central de bombeo. A entidade, que agrupa a poboación doutro núcleo do Valadouro onde está proxectado un encoro de 49,9 hectáreas, rexeitou por unanimidade o complexo, e prevé desenvolver medidas de protesta contra o proxecto. |
NOS_39075 | "Todo é tolerábel para o castelán. Nada é tolerábel para o galego". ProLingua lamenta que a Xunta de Galiza considere "incompatíbel" coas matemáticas e coa ciencia o galego e aféalle á Consellaría de Educación ter reprobado a profesora que imparte clases de matemáticas en galego na Pontenova. | A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua ProLingua amósalle "todo o noso apoio" á profesora advertida pola Consellaría de Educación por impartir aulas de matemáticas en galego. Un apoio, di, que "leva implícita a reprobación rexa do celoso inspector que a amoestou". ProLingua alerta de que "após nove catastróficos anos de aplicación do Decreto de Plurilingüismo, que reduciu a docencia en lingua galega dun mínimo dun 50% a un máximo dun 33% e prohibiu a lingua galega en materias como matemáticas, física, química ou tecnoloxía, o galego está practicamente desaparecido de moitas escolas infantís e cada vez ten menos presenza nos ensinos primario e secundario". A plataforma sinala centros en que algúns docentes "non imparten clases en galego de materias que por lei están obrigados a dalas neste idioma (Xeografía, Historia, Bioloxía etc.)". "Parece ser que a ese profesorado nunca ningún inspector lle fixo a máis mínima observación, mentres que a unha persoa que imparte matemáticas en galego a un alumnado 100% galegofalante si, a esa persoa advírtena e recrimínanllo". Críticas ao CCG e á RAG Por outra banda, ProLingua pregúntase "para que e para quen se presenta a táboa periódica en galego se está prohibido para a docencia da química no ensino non universitario?". A plataforma cuestiona a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, gustaríanos, salienta, que "cuestionasen que a Xunta e a SXPL por un lado prohiban o galego nas ciencias e polo outro fornezan hipocritamente materiais inutilizábel". "Xogan as institucións lingüísticas e culturais galegas a lle dar lustre á exitosa política lingüística da Xunta? A xustificar a exclusión do galego da ciencia sen dicir nin pío?", acrecenta ProLingua. Sentenza contra o galego en Lugo Tamén se pronuncia a plataforma contra a "miserábel sentenza supremacista do Tribunal Supremo", que ratificou a anulación da ordenanza do galego do Concello de Lugo. ProLingua sinala que "pode sentar un precedente gravísimo para excluír o galego das administracións locais. O responsábel da SXPL rexeitou pronunciarse sobre esta sentenza por atinxir un ámbito local, ao mesmo tempo que participaba nas celebracións das primeiras sentenzas en galego dos xulgados de Marín". "Vanse seguir acompañando e cumprimentando uns a outros en descubrimentos de placas, inauguración de xornadas sobre o galego na ciencia (...) cando o noso idioma retrocede?" Na mesma liña, ProLingua pregúntase se a RAG, o CCG e a Secretaría Xeral de Política Lingüística "van seguir calados en casos de regresión e represión lingüística como eses". "Vanse seguir acompañando e cumprimentando uns a outros en descubrimentos de placas, inauguración de xornadas sobre o galego na ciencia, presentacións de táboas periódicas e outros actos de cara á galería, cando o noso idioma retrocede no ensino, na xustiza, na administración pública e demais ámbitos sociais?", critica. A plataforma lembra que cando a Xunta aprobou as Bases do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, en xaneiro do 2010, a RAG fixo pública unha Análise académica onde se consideraba que a proposta do decreto "era inaceptábel por supoñer un claro retroceso na lexislación sobre o galego; que era irresponsábel porque o Goberno derivaba responsabilidades a outros ámbitos, e que era inconsistente legalmente e insostíbel desde o rigor pedagóxico e sociolingüístico. Semanas despois o CCG emitiu un Ditame así mesmo crítico coas devanditas Bases". Publicacións recentes da RAG e do CCG, agrega ProLingua, "veñen corroborar un dos temores que a Academia manifestaba na análise de 2010: que a bandeira trilingüe do decreto de plurilingüismo se utilizaba para ocultar a perda e subtracción educativas do idioma galego". |
NOS_52392 | O xornal londinense 'The Telegraph' lanzou na súa web a pregunta: "É Xibraltar británico ou español?". E milleiros de votos chegaron desde ordenadores e IPs vencelladas o ministerio español. | Pode unha simple pregunta en internet, sen maior pretensión que sondear a sensibilidade d@s británicos, levar a un estado ao ridículo? Se falamos do Estado español, a resposta é si. Desde o Ministerio de Defensa español votouse nesta enquisa milleiros e milleiros de veces para atinxir que a resposta fose, como non, que Xibraltar é español. A sondaxe foi deita polo Telegraph, que preguntou nas redes "é Xibraltar británico ou español?". Houbo un aluvión de respostas (un millón de votos). Na análise sobre a procedencia dos votos, o xornal detectou que miles dos que eran favorábeis a un Xibraltar español viña deIPs ou de ordenadores de orixe do Ministerio de Defensa español. "Armada dixital roji-gualda" Ademais, tamén se detectou como se impulsou polo que Telegraph cualifica como "armada dixital" unha campaña de comunicación en redes sociais "incentivando á xente a votar que Xibraltar debía ser entregado a Madrid". @s 'llanit@s' votan, máis unha vez, por Gran Bretaña Na análise dos votos desta enquisa, o 99,79% dos procedentes de Xibraltar manifestaban que eran británicos, non españois. |
NOS_27889 | Reflexionar sobre a identidade galega en chave teatral. Ese é o obxectivo do primeiro Grupo DramaturXa, unha experiencia en que dez autoras e autores desenvolverán cadansúa peza teatral a partir do traballo individual e colectivo. Das obras resultantes, tres han de ser escollidas para levar a escena en produción propia do Centro Dramático Galego, impulsor da iniciativa xunto coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGA. | A listaxe coas integrantes do grupo de escrita, coordinado polo escritor e director escénico valadourés Manuel Lourenzo, publicarase o vindeiro 9 de febreiro. Este xuntarase durante seis meses no Salón Teatro de Santiago de Compostela, en horario de 10 a 15 horas, duás veces ao mes. As persoas interesadas en entrar no proceso de selección, responsabilidade dunha comisión constituída por profesionais do sector, poden enviar as súas solicitudes até o 22 de xaneiro, seguindo as instrucións que se indican no web www.centrodramatico.gal. "Un teatro forte para un país forte" O célebre dramaturgo Manuel Lourenzo será o encargado de asesorar os dez creadores. O valadourés explica que tentará abordar o tema central da identidade nacional abrindo unha serie de posibilidades para que cada persoa tome unha ramificación. "Repasaremos elementos fundamentais da identidade, como a lingua, a historia, a expresión política e a relación do teatro con esta", engade. O director teatral, cuxa carreira estivo sempre enfocada cara a un teatro galego e contemporáneo que non ignorase as súas raíces históricas e estéticas, gaba a profesionalización do sector nos últimos tempos. Lourenzo, que fundou e impulsou compañías como Casahamlet ou a Escola Dramática Galega, incide tamén na necesidade de que este novo teatro sexa unha expresión artística "de contestación, que integre todas as voces". Cun panorama actual de avellentamento, decadencia rural e a crise económica, o dramaturgo pon en valor o papel do teatro como actor social. "O diñeiro non fai todo, porque se queremos un país forte, necesitamos un teatro forte que dialogue de ti a ti, que fale polo país", conclúe. Mais iniciativas A iniciativa do Grupo DramaturXa está enmarcada dentro do programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea que o CDG mantén coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa. Dentro do mesmo, o CDG porá tamén en marcha este ano outras tres novas iniciativas. Así, Teatrhoxe será a denominación dun apartado específico na nova web do Centro Dramático Galego, onde cada tres meses se publicará unha reflexión escénica ou pequena peza teatral de autoría galega, mentres que Lanzadeira porase a disposición dos creadores, a través dunha convocatoria pública, para presentar ou facer unha lectura dun fragmento das súas obras inéditas. Ademais, un dos talleres formativos desta temporada estará orientado especificamente á escrita teatral. |
NOS_15716 | O Real Decreto que o Goberno estatal prevé aprobar esta terza feira sinala que o currículo será máis competencial, incluirá a materia de Educación en Valores Cívicos e Éticos, aumentará as horas en materias de ciencias en detrimento de Relixión e estabelecerá a perspectiva de xénero en cada unha das materias. | Competencias chave Avaliación continua Sete materias por curso Máis horas para as ciencias O Goberno estatal levará esta terza feira ao Consello de Ministras o Real Decreto polo que se estabelecen a ordenación e os ensinos mínimos da Educación Primaria, un documento que fixa o currículo desta etapa segundo o decretado na LOMLOE e que se implantará para os cursos impares o próximo curso 2022-23 e para os pares no curso 2023-24. O prazo de admisión nos centros escolares estará aberto até o 21 de marzo Competencias chave O proxecto de Real Decreto fixa un total de oito competencias chave que debe adquirir o alumnado ao remate do ensino básico. Trátase de competencia en comunicación lingüística; competencia plurilingüe; competencia matemática e en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría; competencia dixital; competencia persoal, social e de aprender a aprender; competencia cidadá; competencia emprendedora, e competencia en conciencia e expresión culturais. O currículo tamén introduce unha novidade: o Perfil de Saída do alumno ou alumna, no que se concretan os principios e os fins do sistema educativo referidos ao devandito período, e cada materia ten as súas propias competencias específicas e saberes básicos que deben adquirir os nenos e nenas. No que atinxe aos obxectivos desta etapa educativa, no borrador destácanse coñecer e apreciar os valores e as normas de convivencia; desenvolver hábitos de traballo individual e de equipo, de esforzo e de responsabilidade no estudo, e adquirir habilidades para a resolución pacífica de conflitos e a prevención da violencia, entre outros. Coñecer, comprender e respectar as diferentes culturas e as diferenzas entre as persoas, a igualdade de dereitos e oportunidades de homes e mulleres e a non discriminación de persoas por motivos de etnia, orientación ou identidade sexual, relixión ou crenzas, discapacidade ou outras condicións, son outros dos obxectivos. Avaliación continua O documento tamén se refire á avaliación do estudantado, que será "continua e global e terá en conta o seu progreso no conxunto dos procesos de aprendizaxe". Ademais, propón que cando o progreso dun alumno non sexa o adecuado estabeleceranse "medidas de reforzo educativo", que deberán adoptarse "tan cedo como se detecten as dificultades" e estarán dirixidas a garantir a adquisición das aprendizaxes imprescindíbeis para continuar o proceso educativo. Ao final de cada ciclo, o equipo docente adoptará as decisións correspondentes sobre a promoción do alumnado de maneira colexiada, tomando especialmente en consideración a información e o criterio do titor. Só se poderá repetir unha vez durante a etapa e con carácter excepcional. Nas actas de avaliación dos alumnos, os resultados expresaranse nos termos Insuficiente (IN), para as cualificacións negativas; e Suficiente (SU), Ben (B), Notábel (NT) ou Sobresaínte (SB), para as positivas. Sete materias por curso O Real Decreto sinala que os alumnos e alumnas de Primaria terán sete materias en todos os cursos: Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural, que se poderá desdobrar en Ciencias da Natureza e Ciencias Sociais; Educación Artística, que se poderá desencartar en Educación Plástica e Visual, por unha parte, e Música e Danza, por outra; Educación Física; Lingua Castelá e Literatura; Lingua Galega e Literatura; Lingua Estranxeira; e Matemáticas. Ás áreas antes mencionadas engadirase, quer en 5º quer en 6º, a materia de Educación en Valores Cívicos e Éticos. Todas elas impartiranse tendo en conta a perspectiva de xénero e fomentando a igualdade. A nova materia de Matemáticas na Educación Primaria é unha das que máis balbordo suscitou, ao incorporar a xestión emocional entre os saberes básicos. O Ministerio de Educación explica que eses "saberes básicos" estrutúranse en seis sentidos arredor do concepto de 'sentido matemático' e integran un conxunto de coñecementos, destrezas e actitudes deseñados de acordo co desenvolvemento evolutivo do alumnado. "Manexar correctamente estas habilidades mellora o rendemento do alumnado en matemáticas, combate actitudes negativas cara a elas, contribúe a erradicar ideas preconcibidas relacionadas co xénero ou o mito do talento innato indispensábel e promove unha aprendizaxe activa. Para reforzar este fin, resultará esencial dar a coñecer ao alumnado as contribucións das mulleres ás matemáticas ao longo da historia", sostén o Executivo. O novo decreto busca "combater os prexuízos" no Estado español contra o galego, o català, o euskera, o valencià e o asturianu A respecto da materia de Lingua Castelá e Literatura, a primeira das competencias específicas oriéntase ao recoñecemento da diversidade lingüística e dialectal da contorna e do Estado español, "para favorecer actitudes de aprecio cara á diversidade étnica e cultural, combater prexuízos e estereotipos lingüísticos e iniciarse na reflexión entre distintas linguas, incluídas as linguas de signos". Un segundo grupo de competencias relaciónanse coa produción, comprensión e interacción oral e escrita, incorporando as formas de comunicación mediadas pola tecnoloxía e atendendo o ámbito persoal, educativo e social; así como a alfabetización informacional. Aliás, prestarase "especial atención ao recoñecemento das mulleres escritoras" e abordaranse as prácticas comunicativas non discriminatorias, para "identificar e rexeitar os abusos de poder a través da palabra". A definición dos contidos de Lingua Galega e Literatura corresponde á Consellaría de Educación da Xunta da Galiza. Outra das áreas que suscitou certa polémica é a de Educación en Valores Cívicos e Éticos, que algúns asimilaron á antiga materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos. Neste caso, a proposta do Goberno estatal fixa entre os saberes básicos o pensamento crítico e ético; a educación afectivo-sexual; o significado de 'bo' e 'malo'; a influencia dos medios e as redes de comunicación, a prevención do abuso e o ciberacoso, e as condutas adictivas; os dereitos humanos, ou a empatía, o coidado e o aprecio con respecto aos seres vivos e o medio natural, entre outros. Máis horas para as ciencias Tamén se recollen modificacións no tocante ás horas de contido de cada materia. Así, Relixión —que coa LOMLOE non contará con "materia espello" nin contará para a nota media dos alumnos— tería 210 horas para toda Primaria —70 horas para cada ciclo—, é dicir, 90 horas menos se se compara coa LOE de 2006, aprobada polo Goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero. Deste modo, impartirase unha hora á semana. Tendo en conta a redución de 90 horas que sufriría Relixión, a materia que máis horas aumenta é a de Educación Artística, que se tiña 300 horas na LOE, agora tería 360. Mentres, a materia de Coñecemento do Medio sería impartida en 480 horas, en lugar de 465; Matemáticas tería 545 en toda Primaria, no canto de 535; e Lingua Galega e Literatura —así como Lingua Castelá e Literatura— sería impartida durante 840 horas, cinco horas máis. |
NOS_43076 | Países occidentais e ONG, a maioría financiadas polo Reino Unido e polos EUA, cren que a China estreita cada vez máis o cerco sobre Hong Kong. | O presidente da China, Xi Jinping, promulgou onte a lei de seguridade nacional para Hong Kong, horas despois de que ser aprobada por unanimidade no Parlamento. Fóra do país, especialmente desde os EUA e desde a UE, a decisión recibiu críticas. Consideran que a decisión acabará co status especial da ex colonia británica. Xi asinou o decreto presidencial 49, polo cal promulga a Lei da República Popular da China sobre o Mantemento da Seguridade Nacional en Hong Kong, que perseguirá todas as actividades consideradas como "secesión", "subversión" ou "terrorismo", segundo informou a axencia de noticias Xinhua. A nova norma foi incorporada á Lei Básica de Hong Kong, considerada o texto constitucional do territorio, polo que se trata dun cambio profundo que podería afectar o principio 'un país, dous sistemas' que resume o encaixe da rexión no xigante asiático. Este principio acuñouse coa devolución de Hong Kong á China por parte do Reino Unido en 1997 e implica a garantía de que as autoridades de Beijing respectarán o réxime do que gozaron os hongkoneses baixo o dominio británico. O Goberno chinés, polo seu lado, considera que é parte do seu territorio e que pode exercer a soberanía. "Consecuencias negativas" Países occidentais e ONG, a maioría financiadas polo Reino Unido e polos EUA, cren que a China estreita cada vez máis o cerco sobre Hong Kong. O ano pasado, o Goberno hongkonés de Carrie Lam xa intentou aprobar unha lei de extradición á China continental á que finalmente tivo que renunciar polas fortes protestas, que se mantiveron de forma intermitente no último ano. A UE rexeitou onte a aprobación da norma, asegurando que mina a autonomía do territorio e dixo que a medida terá "consecuencias negativas" para China. |
NOS_47932 | Pilar García Negro, profesora da UDC, vén de participar nas últimas reunións que tiveron lugar arredor do Protocolo de Donostia, ao que achegou, no seo do comité científico, os coñecementos da súa especialidade en materia de sociolingüística e dereitos das persoas utentes de linguas minorizadas. Nesta conversa, fornécenos das claves do documento, que será presentado o 17 de decembro. | Cal é o obxectivo do Protocolo de Donostia? As entidades organizadoras pretenden actualizar a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, que cumpre 20 anos da súa proclamación en Barcelona, elevando o rango da súa natureza para lle procurar unha executividade, unha translación practica ás políticas das administracións públicas dos diferentes Estados ou gobernos ou onde estas teñan influencia. Pretenden algo semellante á redacción dun protocolo como o de Kioto, a respeito do cambio climático, ou o de Montreal, a respeito da protección da capa de ozono. Por tanto, un paso máis na validade daquela Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, mais que teña consecuencias prácticas e que comprometa sobre todo a acción dos gobernos en defensa da lingua en calquera das áreas onde se pode actuar. "O protocolo supón un paso máis na validade da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos" Que ámbitos de actuación abrangue o protocolo? Estudáronse toda unha serie de medidas moi concretas e limitadas para poñelas en práctica en diferentes áreas de actuacións, que son: cultura, toponimia e onomástica, media e novas tecnoloxías, administracións públicas, educación e socioeconomía. Que balanzo fai da reunión? Moi positivo, aínda sendo por todo o traballo desenvolvido, sobre todo por Euskadi. En concreto, no ámbito vasco, hai unha correspondencia real entre esta vontade de lle dar validade á declaración e unhas políticas non só gobernamentais, senón de favorecer a presenza e a expansión do euskera a través dunha rede social moi estendida e moi activa en todos os territorios. As reunións xa comezaron en decembro do ano pasado. Non se me escapan as dificultades de aplicación debidas aos seguintes factores. En primeiro lugar, este foro de ámbito europeo engloba nacións sen Estado, como o noso proprio caso, e minorías nacionais, de maneira que hai xa unha natureza diferente do ponto de partida. En segundo lugar, as perspectivas ou aspiracións de cada un dos membros é diferente, porque imaxinemos a distancia que pode haber entre a situación do catalán ou aínda a do euskera a respeito da situación da lingua frisoa ou do bretón, ou de minorías que aspiran a un pequeno catálogo de prestacións lingüísticas concedidas polo Estado do que dependen. "Levamos moitos anos, e nomeadamente estes últimos, en que se fai unha antipolítica para o galego" E no noso caso, no galego? No noso caso hai que atender ao deplorábel do ponto de vista gobernamental que padecemos tanto por parte do Estado español como dunha Xunta servil co Estado. E tamén sufrimos unha antipolítica. Non é que se faga pouco a respeito das mínimas obrigas que implica a lexislación sobre a normalización da lingua galega e de planificación de usos públicos do galego, senón que levamos moitos anos, e nomeadamente estes últimos, en que se fai unha antipolítica para o galego. Isto é, unha política agresiva de privación de usos e de prohibicións legais coa novidade engadida da utilización do inglés como cúmplice do español para sepultar ou invisibilizar aínda máis o galego. Podemos lembrar as recentes declaracións do presidente da Xunta en funcións, que descaradamente expuxo a necesidade de que sexa a propia poboación a que demande mais inglés. Neste contexto, todo o que nós poidamos contribuír á boa saúde democrática de todas as linguas do mundo e, en concreto, de todas as linguas inferiorizadas do continente europeo será a base de fortalecérmonos nós aquí, de conseguirmos moita máis presenza social e pública para o idioma e de non consentirmos impunemente toda esta continuada fervenza de agresións para a lingua. Iso é fundamental que o teñamos presente. Despois, o método de composición das medidas que se propoñen son moi completas e abranguen todos os campos que xa citei. Ten como pano de fondo a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, que no noso caso foi ratificada ao máximo nivel pola Xefatura do Estado no 2001. Por tanto, debera operar e vincular por este elevado estatus legal a administración do Estado e todas as administracións públicas actuantes na Galiza, e non é así en absoluto. De maneira que o retraso é considerábel. En que se basean as medidas que elaboraron? En primeiro lugar, realizouse un diagnóstico da situación, que varía segundo se coloque o espello en diferentes nacións ou comunidades lingüísticas presentes repartidas en diferentes Estados e/ou minorías nacionais. Entón, unha vez realizado o diagnóstico de todas as diferenzas existentes, procurouse elaborar en primeiro lugar unha táboa de mínimos cumpríbeis que, insisto, teñen a ver con darlle contido verdadeiro a unha declaración para que deixe de ter carácter declarativo e pase a ter un contido práctico, executivo. Insistimos ademais como en toda proclamación dun dereito para ser efectiva debe levar aparellada a mención dun deber. Isto é unha garantía por parte dos poderes públicos non para respeitar nominalmente un dereito, que iso non ten contido xurídico ningún (aquí respéitase todo para esmagalo na práctica). senón para que sexan axentes interpelados por parte de toda a comunidade lingüística respeitiva que queira facer uso deses dereitos. Se non é así, se non se aprofunda nesa liña de esixencia, pois estamos sempre na confesión de dereitos coa condición de que non se practiquen. E dicer, nunha por tanto política declamativa que non ten a menor consecuencia práctica. Dáse un paso importante porque o que se pretende é un grao de compromiso maior. Mais insisto, polo que atinxe a nós, o imprescindíbel e fundamental é fortalecer o idioma. A lingua é, por antonomasia, a grande posesión transversal que temos, non podemos reducila a unha demanda sectorial, senón que é necesario darlle a vida social e política que merece o tema. E non pode reducirse a lingua a un elemento do patrimonio cultural. A lingua é o elemento unitivo primario. "De conseguirmos que este protocolo for asumido e posto en practica polos poderes públicos, tanto españois como galegos, significaría un avanzo enorme en todos os campos" De se materializaren as propostas, garantiríase os dereitos lingüísticos do galego? Claro, de conseguirmos que este protocolo for asumido e posto en practica polos poderes públicos, tanto españois como galegos, significaría un avanzo enorme en todos os campos. Por suposto, ficaría absolutamente inhabilitada a prohibición do uso do galego en determinadas materias científicas do ensino e ficaría garantida a presenza do idioma nos medios de comunicación públicos e privados dependentes ou subvencionados con diñeiro público. Por suposto que teriamos unha oferta cultural garantida en galego, moito máis potente cualitativa e cuantitativamente, e veriamos como nas nóminas e en todo tipo de impresos laborais ou do ámbito económico figuraría tamén a lingua, ou como as administracións públicas teñen que ser as primeiras en seren legais a respeito delas mesmas. Teriamos moitísimo máis avanzo no universo cada vez máis amplo das novas tecnoloxías... |
NOS_58295 | Esta fin de semana comeza o XIV Ciclo de coros históricos e novos, organizado por Cántigas da Terra. | Coros con décadas de historia e tradición e formacións máis novas e renovadas. O Teatro Rosalía da Coruña vai acoller esta fin de semana a primeira das tres xornadas que compoñen o XIV Ciclo de coros galegos que organiza Cántigas da Terra. O domingo 28, a partir das 19:00 horas, estarán sobre o escenario o estoupido de vida e música dos arousáns Carapaus, as regueifas poderosas de Alba María e Lupe Blanco e, para poñer o ramo, Cántigas da Terra. Na segunda xornada (18 novembro), no mesmo sitio e hora, será a quendadoutra historia viva da mñusica coral galega, Toxos e Froles, así como da Agrupación Folclórica Ancoradoira e de novo rematará o día con Cántigas da Terra. A terceira xornada contará coa coral De Ruada, a coral Polifónica El Eco e, de feche, os anfitrións. |
NOS_1427 | O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino da Galiza (STEG) reacciona desta forma ao informe da Real Academia Galega (RAG) no que revelou o baixo coñecemento do galego por parte das e dos estudantes do país. Porén, céntrase no informe do 'Mapa sociolingüístico escolar de Ames' para resaltar a preocupación polo efecto "desgaleguizador" do sistema educativo. | O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino da Galiza (STEG) presentou unha queixa na Valedora do Pobo perante os datos sobre a situación do galego entre os escolares dados a coñecer no último estudo elaborado pola Real Academia Galega (RAG). O 'mapa sociolingüístico escolar de Ames' constata o efecto desgaleguizador que exerce o sistema educativo nos menores de Galiza, sobre todo co paso das diferentes etapas académicas. O informe confirma que estes procesos de substitución lingüística cara ao español inícianse desde as idades máis temperás, para consolidarse na adolescencia. De feito, un de cada dez alumnos renuncia á lingua familiar xa no seu primeiro contacto co centro. "Reflexión" STEG considera que o documento "debería suscitar unha profunda reflexión" por parte das institucións á hora de tomar medidas para corrixir esta situación, e entenden como "unha obrigación ética e moral preservar a lingua propia do país e non obviar a realidade obstinada dos datos". Por todo iso, solicitan á valedora "para que faga valer non só os dereitos da cidadanía, senón os da infancia" e poida apoiar que a escola "contribúa á aprendizaxe da lingua propia" e garanta o seu uso en "igualdade co resto de linguas". Após o contundente diagnóstico publicado pola Real Academia Galega que sitúa o medio escolar como "hostil" para o galego, Nós Diario conversa con expertos para botar luz e atopar as ferramentas que melloren a situación da lingua na mocidade. Perda Os datos falan por si sós no 'Mapa sociolingüístico escolar de Ames' (o traballo da RAG realizado en colaboración co Concello): a perda de 10% de galegofalantes iniciais prodúcese xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil. Esa porcentaxe "vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo até cifras extremadamente preocupantes". Na ESO só 11% do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a 77% de castelanfalantes. "O que demostra este traballo é que o medio escolar non é amigábel para o galego", afirmou Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, responsábel da investigación. |
NOS_37 | "Non creo que escriba nunca aquela novela tan rara sobre transplantes de estómago [...] Non creo que faga un diario. Agora teño que traballar. Se fose rico, escribiría. Se fose de familia rica, escribiría". E, porén, Samuel Solleiro (Tui, 1982), unha das máis brillantes voces da literatura galega actual, escribe, neste caso o poema en prosa Piscinas de whiskey, piscinas de café con leite, incluído no seu novo libro, O mundo dos vivos. | Publicado por Chan da Pólvora, O mundo dos vivos supón, dalgún xeito, a resurrección dun escritor. El mesmo o relata a Sermos Galiza. "Despois de publicar Punk (2013), que en realidade fixera moito antes que os relatos de Gran tiburón branco (2012), parei de escribir, sobre todo por razóns digamos materiais, laborais", explica. Comezou a traballar como tradutor, fundamentalmente para o audiovisual aínda que tamén literario. "Pensei que un traballo que tiña que ver coa literatura ía facilitar a escrita, pero xustamente por iso foi ao contrario", engade. Para Solleiro, ese "xesto compartido" entre sentar no teclado a traducir a cambio dunha tarifa e sentar a redactar un relato ou un poema dificultaba as cousas. "Todo implicaba pensar en palabras, quitábame as ganas de escribir, e levoume a certo escepticismo. Perdín a rutina, o hábito". Até que a editorial Chan da Pólvora se cruzou no seu camiño. A curadora de 13. Antoloxía de poesía galega próxima (2017), María Xesús Nogueira, solicitoulle textos inéditos, o que obrigou a se mergullar nos arquivos do seu computador. Algo atopou que volveu prender a súa escrita. Do mundo dos vivosO que resultou dese proceso, O mundo dos vivos, confeccionado durante seis meses de 2017, abriu unha vía máis ou menos inédita na súa obra. "Escribino como unha especie de vinganza, de negación de Punk", di, "naquel libro mercaba unha idea posmoderna da literatura. Imaxinaba que a forza de referencias podía construír unha voz propia. Pero non dicía moito a verdade. Mesmo atopo elementos bochornosos ao relelo". O mundo dos vivos emerxeu así como feroz autocrítica e con vontade de procurar "verdade". Sen convencionalismos retóricos pero tampouco afán redentor. "O mundo dos vivos e o mundo dos mortos son esferas que orbitan e que se aproximan sobre as tres da mañá do horario de inverno. Non se cruzan nin coliden: só se achegan, e nin tanto", afirma en Claro que existe, "pero se pos a orella podes sentir os murmurios deles, de todos os que estiveron aquí: miña avoa, Hitler. Falan baixiño para non molestarnos, e efectivamente non nos molestan nunca ou case nunca". Son 21 poemas en prosa, escritos desde un eu que non é solipsista e asómbrase ante a marabilla e o patetismo da realidade. "É unha especie de diálogo co que me rodea", argumenta, "hai un eu non tanto intimista como unha forma do eu de esquerdas, non sei. O silencio, as razóns de escribir ou de non escribir, tamén é un tema central". Esta ollada prescinde ademais do verso, mais nunca do ritmo. No mecanismo oculto dos textos hai dúas músicas que o poeta escoitou en bucle durante a escrita: a banda sonora do Desprezo, o filme de Jean-Luc Godard de 1963, e The velocity of love, hit new age de Suzanne Ciani en 1984. Sobre elas respira O mundo dos vivos, a súa dicción. Solleiro non entra en debates xenéricos, máis alá de lembrar que o poema en prosa "é algo máis clásico do que moita xente pensa. Na literatura francesa do XIX abundaban, a comezar por Baudelaire". E de afirmar que non imaxinaría O mundo dos vivos nunha colección de narrativa. "En todo caso, non sei se existe outra definición posíbel de poesía ca de publicar nunha colección de poesía", considera. Na portadiña do Mundo dos vivos figura, ao vello estilo, o seguinte subtítulo: "Outro conmovedor libro de Samuel Solleiro escrito á idade de trinta e cinco anos". "Eu, en realidade, quero a todo o mundo: tamén aos malvados. A vós, os que máis. Quérovos como a nais, coma a irmáns", di o poema Helicóptero, outra mostra dese amor inconmesurábel e dubidoso, incandescente, que atravesa a obra. |
NOS_24959 | A CIG convoca, co apoio da CGT, o segundo protesto do ano no sector despois de meses de negociacións sen éxito para un novo convenio, en suspenso desde hai máis de dous anos. A central sindical denuncia que o persoal acumula perdas salariais desde 2009 que equivalen a unha paga completa. | O sector dos centros de chamadas galegos volve esta segunda feira ás rúas do país. Unha nova xornada de folga convocada pola CIG, co apoio da CGT, para denunciar o bloqueo continuo da patronal e o inmobilismo dos sindicatos españois nas negociacións para renovar un convenio que leva máis de 26 meses vencido. A protesta chega despois da última proposta da patronal para as subas salariais que, segundo a confederación sindical, supón unha nova perda de poder adquisitivo e unha nova precarización do traballo. Desde 2009, calculan que estas perdas salariais equivalen cando menos a unha paga completa. Desde CIG-Banca sinalan que na reunión da mesa de negociación do convenio do pasado 11 de xaneiro, a patronal volveu a endurecer as súas posicións, una situación que atribúen á falta de mobilizacións unitarias. Así, as empresas rebaixaron de novo a súa oferta para un aumento dos salarios, que era considerada xa insuficiente polo persoal. Traballadores e traballadoras de empresas como Extel, Atento, Unísono e Abante están chamadas ás mobilizacións que se celebran na Coruña, Lugo, Vigo e Ourense. Un sector que vive unha alta conflitividade laboral durante os últimos meses. Só en 2016, o sector realizou catro folgas de 24 horas e outras catro xornadas de paros parciais dos servizos. Só en 2016, realizaron catro folgas de 24 horas e outras catro xornadas de paros parciais dos servizos. Á perda constante de poder adquisitivo polo convenio, hai que sumarlle loitas nas propias empresas polos dereitos laborais como en Extel, onde o cadro de persoal reaccionou contra o anuncio dun ERE, ou en Atento, onde a empresa tratou de impoñer peores condicións de traballo. A central sindical recorda que mentres as empresas do sector a os seus clientes continúan a aumentar os seus beneficios millonarios, continúan os intentos de recortes. "É fundamental para as traballadoras e traballadores que logren un acordo favorábel aos seus intereses, chocando inevitabelmente cunha patronal que quere consolidar o sector nunha precariedade perenne". |
NOS_22531 | O aumento drástico de contaxios obriga a cambiar a liña que estaba a seguir a política sanitaria no país. A medida entrará en vigor o 21 de novembro. | O presidente de Irán, Hasán Rohani, anunciaba hoxe a entrada en vigor, a partir da próxima semana, concretamente do 21 de novembro, dunha nova fase de confinamento, de carácter indefinido. O obxectivo é conter a pandemia no país, co argumento de que resulta "imprescindíbel para salvar vidas". O Goberno proporcionará ao longo da vindeira semana máis detalles sobre o carácter deste confinamento, declarado após unha repunta moi grave de casos en Irán. Isto vén de provocar un xiro brusco na política sanitaria, que até o momento se empeñaba en aprazar esta situación dada a crítica situación económica. Os últimos datos colocaban, segundo o Ministerio de Sanidade iraniano de 11.737 novos casos de coronavirus en 24 horas, una cifra próxima ao récord estabelecido a cuarta feira (11.780) e que empurra o balance provisional de positivos até os 738.322. |
NOS_396 | A Plataforma galega en defensa do sector lácteo organiza para ese día na capital de Galiza unha tractorada multitudinaria de tres días, até o 10. "Pedimos a máxima contundencia e participación", solicitan. | O desleixo, incapacidade ou desinterese de Estado e Xunta para actuar contra unha crise que ten coa corda ao pescozo a milleiros de gandeiros galegos está a atopar unha firme resposta desde o sector lácteo galego. Esta segunda feira, e perante "a falla de resposta a unha situación agónica", a Plataforma galega en defensa do sector lácteo acordou reforzar as mobilizacións, tanto en número como en contundencia. Así, entre esta semana e a primeira de setembro haberá catro manifestacións e o día 7 do vindeiro mes, en Compostela, daranse cita 5.000 tractores. Esa é a cifra que se propón mobilizar a Plataforma para a data na que hai unha manifestación en Bruxelas dos gandeir@s co gallo dunha cimeira de ministros de Agricultura da UE. E a intención dos produtores galegos é que desde o día 7 e até o 10, data límite fixada pola propia ministra española para ter un acordo entre todos os ellos da cadea do leite, os tractores permanezan en Compostela. "Pedimos a máxima contundencia e participación", manifestaron desde a Plataforma, que solicita o apoio de todos os sectores produtivos e movementos políticos e sociais na defensa dun sector chave para o rural galego e o país. "Que nos escoiten". |
NOS_20965 | O novo número do caderno Gozar, que atoparás este sábado 10 de abril nos quiosques xunto con Nós Diario, ofrece unha viaxe gorentosa polas sobremesas saudábeis de Media Laranxa mais por algúns dos pratos tradicionais da cociña vasca. A estes sabores únense os do viños de Xico de Mandín, da Denominación de Orixe Monterrei baixo o nome de Couto Mixto. E para alixeirar, un paseo á beira do río Miño até o punto no que o Sil sae ao seu encontro, nos Peares. | Este sábado no quiosque, Nós Diario ofrece unha nova edición do semanario Sermos Galiza mais tamén do suplemento Gozar, onde expertas e expertos achegan os mellores produtos, viaxes e propostas de ocio e gastronomía da Galiza. Noemí García é a encargada de abrir o caderno cunha serie de "alternativas saudábeis para caermos na tentación dos doces". Entre outros, o tradicional Arroz con leite e o leite frito. Son algunhas das sobremesas de Media Laranxa. Anxo Fole sumará as súas propias propostas azucradas nun artigo no que nos guía "polas comidas máis populares de Euskadi, desde os pintxos até os doces". Guildas, marmitaco, porrusalda e carolinas, son algúns dos pratos escollidos polo autor que poñen ollo nos produtos do mar e da horta. Viños na Raia e paseo da Peroxa aos Peares O 'Paraíso de viñedos' convídanos a visitar a Raia. Entre Verín e Chaves, no lugar de Mandín, Francisco Pérez Diéguez, Xico de Mandín, colleita o seu propio viño baixo o nome de Couto Mixto, apegado á terra. Segundo relata Puri Caldelas Rodríguez, Xico considérase "un labrego que fai viño", neto de viticultores con case catro hectáreas de terreo no marco da Denominación de Orixe Monterrei. Baixo o título 'Gozar da Peroxa aos Peares', Ramsés Pérez, convídanos a anadar a Ruta do río Miño, "un sendeiro homologado baixo a epígrafe PR-G 179, cunha dificultade media, duns 11 quilómetros, lineal e fundamentalmente de baixada". O paseo permite unha vota circular de 16 quilómetros entre castelos, sobreiras, exemplares do tritón pintafontes verde, mimosas e herba da fortuna, dúas das especies invasoras máis comúns no territorio. A demais, o suplemento gozar inclúe as achegas do guía Guido Álvarez Parga, a escritora de viños Lorena Costas e o músico de SonDaRúa Hugo Domínguez Groba, e Eva Cameán. |
NOS_23190 | A CIG exixe aos Gobernos español e galego "dar pasos decisivos para intervir de inmediato a factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo) e garantir que as cubas de electrólise sigan en activo". | "É agora cando o Goberno español e a Xunta deben demostrar que teñen vontade política real para nacionalizar a fábrica e defender o mantemento dun sector estratéxico para o noso país como o do aluminio", puxo de manifesto o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, nunha nota de prensa após coñecerse o anuncio de Alcoa en relación ao despedimento das traballadoras e traballadores. "A estas alturas, unha intervención pública vía expropiación, á vista de que Alcoa non quere negociar unha venda, está máis que xustificada e non existe nada na normativa galega, española ou europea que impida esta actuación", engadiu o secretario xeral do sindicato nacionalista. Precisamente, a CIG chegara a presentar un documento xurídico elaborado polo profesor da UDC Carlos Aymerich para demostrar que a nacionalización é legalmente posíbel. Desde o punto de vista legal, salientara Aymerich, non hai impedimento no dereito español nin europeo para que os gobernos interveñan as factorías de aluminio, "pero precísase é vontade política". O profesor da UDC salientara que os poderes públicos galego e español poden recorrer á recapitalización ou á toma de control público das plantas para garantir garantir o mantemento da actividade e o emprego. Non perder o tempo A CIG salienta que "non se pode seguir perdendo o tempo en declaracións de intencións cando Alcoa xa puxo data para os despedimentos e a parada das cubas". "Os Gobernos teñen que actuar coa mesma contundencia e rapidez coa que o está a facer a multinacional", sinalou Carril. Dado que as correspondentes demandas xudiciais para impugnar o ERE teñen uns tempos máis longos que os prazos marcados pola empresa, Carril puxo de manifesto que "resulta inevitábel a intervención da planta para evitar os despedimentos e que Alcoa acerne de maneira irreversíbel as capacidades produtivas do complexo industrial de San Cibrao". Por outra banda, a CIG insta a intensificar as mobilizacións e a manter a unidade de acción como único camiño para paralizar os plans de desmantelamento da multinacional e forzar as administracións a actuar coa urxencia e a contundencia que require esta crítica situación. |
NOS_30986 | A portavoz do grupo municipal do PSOE, Mar Barcón, enfatizou hoxe que o Tribunal de Contas xa arquivou o expediente de Someso en 2010. | En conferencia de imprensa, Mar Barcón bateu hoxe contra o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, por levar outra volta o caso Someso ao Tribunal de Contas. En realidade, Negreira faino despois de que o fixese o BNG, e após o Tribunal de Contas estimar que hai materia no asunto ao admitir a trámite o escrito formulado pola formación nacionalista. Barcón afirmou que o Tribunal de Contas xa arquivou o expediente de Someso en 2010. "Sempre se actuou dentro da máis estrita legalidade", alegou, nun claro aval á xestión do ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez. O que non di Barcón é que o TC reabre agora o caso ao dar luz verde ao escrito do BNG. O BNG tomou a iniciativa e deu traslado ao Tribunal de Contas do informe elaborado por dúas funcionarias municipais en relación ao caso Someso. Nese informe estabelecíase con clareza que o ex alcalde Francisco Vázquez supervisara persoalmente unha operación urbanística que se ten traducido en perdas para o patrimonio municipal de arredor de 40 millóns de euros. Unha pelotada que tivo entre os seus maiores beneficiarios ao chefe da patronal coruñesa, Antonio Fontenla. Barcón argumentou tamén que a pasada semana a Fiscalía arquivara o caso ao non achar materia delictuosa. En realidade, a fiscalía declarouse incompetente perante a vaguidade dun informe municipal que non asinalaba ningunha responsabilidade. O Tribunal de Contas, en troca, si atopou substancia para actuar. |
PRAZA_12790 | Só en 2010, o ano máis terríbel, morreron en Portugal 43 mulleres a man das súas parellas. Rui Pires, responsábel da compañía de teatro universitario TeatrUBI, de Covilhâ (Portugal) quixo falar sobre este tipo de violencia, para o que adaptou un texto de Anaïs Nin, A Casa do Incesto, que se representou este venres no MITEU ourensán, que rematará este sábado a súa XVII edición co seu acostumado éxito de crítica e público. | Só en 2010, o ano máis terríbel, morreron en Portugal 43 mulleres a man das súas parellas. A violencia doméstica é o termo empregado alí para denominar a aquí chamada violencia de xénero, e abrangue toda a violencia explícita ou velada practicada dentro da casa ou no ámbito familiar entre individuos unidos por parentesco natural ou civil. Esta ten moitas formas, mais sempre desastrosas consecuencias para as persoas que a sofren. O director de teatro Rui Pires, responsábel da compañía de teatro universitario TeatrUBI, de Covilhâ (Portugal), leva moitos anos combinando a palabra, a expresión corporal, a danza e a música e triunfando coas súas montaxes na MITEU ourensá (Festival Internacional de Teatro Universitario de Ourense), que rematará mañá a súa XVII edición co seu acostumado éxito de crítica e público. Desta vez o creador luso quixo falar sobre este tipo de violencia, exemplificada na que se practica sobre moitas mulleres, para o que adaptou un texto da poetisa francoamericana Anaïs Nin, A Casa do Incesto, e compuxo para el un espectáculo entre realista e simbólico, unha danza fermosa e violenta mais sempre poética entre tres actores novos, Diana Portela, Gonçalo de Morais e Joana Oliveira, que tentan sentir nas súas carnes case coa mesma intensidade o que sinten as vítimas. Rui Pires adaptou un texto da poetisa francoamericana Anaïs Nin, A Casa do Incesto, e compuxo para el un espectáculo entre realista e simbólico, unha danza fermosa e violenta Esta tarde, ás 20.30 horas, no Auditorio Principal de Ourense. Máis información no blog de teatro de Praza Pública, O Galiñeiro. Un estudo de 2012 sobre as percepcións da violencia doméstica de diferentes comunidades en Portugal revela que hai aínda moita xente no seu país, en efecto a maioría, que non pensa que aquela sexa un crime. Apenas o considera crime un 23,3% das mulleres, e un 12,1% dos homes portugueses. A cifra diminúe aínda máis no caso da comunidade ucraniana, mentres sobe no caso dos caboverdianos e brasileiros. A que se debe isto? Por que a sociedade aínda non reacciona con contundencia? Non podemos olvidar a tradición latina e o peso da Igrexa Católica, que durante séculos reduciran a muller até non ter máis que reducir. Até hai unhas décadas, en Portugal, a muller aínda tiña o seu papel de esposa, dona de casa que coidaba dos fillos e non traballaba. Aínda hoxe en moitos lugares de Portugal é así. A muller tiña que obedecer o seu marido e ser submisa. Son séculos de historia que son difíciles de combater. Non podemos tamén esquecer que moitas mulleres son dependentes economicamente, ou que simplemente teñen medo, ou por elas ou polos seus fillos cando os hai. Podemos pensar que estamos no século XXI, pero a verdade é que a violencia doméstica está en tódalas clases sociais e dende os máis novos até os maiores, non elixe relixión ou partido político. "Podemos pensar que estamos no século XXI, pero a verdade é que a violencia doméstica está en tódalas clases sociais e dende os máis novos até os maiores, non elixe relixión ou partido político" Segundo os meus estudos para a obra, a muller case nunca se revolta contra a súa parella. A muller é golpeada, violada, e está moitos anos soportando estes malos tratos porque á parte de ter medo do seu marido, ten medo polo que os veciños e coñecidos poidan pensar, a sociedade, os seus pais.... son medos que están presentes no día a día destas mulleres. Polo que puiden analizar, a muller só loita contra o seu compañeiro se hai fillos no medio e se estes están en perigo. Por outra parte, a maioría das mulleres descoñece as institucións que apoian as vítimas de violencia doméstica. Na súa contra, teñen tamén o cambio radical que afrontan ó denunciar que son vítimas, pois a policía só pode facer algo se existen probas visíbeis, e como non as hai, moitas veces estas mulleres son vítimas ano tras ano e son asasinadas. Non podemos esquecer tampouco que unha muller, ó saír de casa, non ten para onde ir, por veces ten a casa dos seus pais, mais o seu compañeiro sabe onde está. Estas mulleres teñen o seu traballo e eles tamén saben onde están. A muller ten, moitas veces, que abandonar a súa cidade, o seu traballo, e comezar unha nova vida de cero. Imaxino que alguén que sexa vítima de violencia doméstica tamén pensa nisto, no que vai ser a súa vida. "O que se ten que promover é que a violencia doméstica é un crime público, pois moitas veces asistimos e non denunciamos" Por outra banda, o que se ten que promover é que a violencia doméstica é un crime público, pois moitas veces asistimos e non denunciamos; aínda hai moito do dito popular: "entre marido e muller non metas a coller". Para concluír, gostaríame dicir que, por veces, cando falamos de violencia doméstica, só referímonos á violencia física, mais a violencia física comeza moitas veces pola violencia psicolóxica. Agresións verbais que de pronto pasan a agresións físicas. A verdade é que a violencia psicolóxica non se nota tanto como a física, pero pode igualmente levar á morte. Parece que 2010 foi o ano máis sanguento, con 43 homicidios e 39 tentativas, según a UMAR (União de Mulheres Alternativa e Resposta). É neste contexto de auxe da violencia doméstica no que xorde Mata-dor? Si, os números de 2010 son impresionantes e arrepiantes, e débennos facer pensar a todos. É unha barbarie que ten que ser extinguida. Cando comecei a pensar que iría a traballar este ano, suxeríanme varias cousas, sempre teño un montón de ideas que tranporto aos ensaios. Pero en outubro de 2010, cando comecei a traballar no espectáculo que viría a chamarse Mata-dor, sempre que miraba un xornal lía algo sobre a violencia doméstica. Por defecto de formación -teño a carreira de xornalista-, diariamente miro a maioría dos xornais, e nesa época parecía que a diario había noticias de casos de violencia doméstica. O tema non me saía da cabeza. Un deses artigos chamou a miña atención, a maneira como a periodista escribiu a noticia, e os datos de que falaba eran impresionantes. Ao rematar de ler a nova, pensei "é isto", "o espectáculo vai ser sobre violencia doméstica", e foi así que me puxen a pescudar aínda máis e saíu Mata-dor. "O que me gusta no texto son as palabras que Anaïs Nin usa, as metáforas son dunha beleza arrepiante. O meu traballo foi ler varias veces o texto e cortalo, cortar moito texto e reescribilo adaptándoo á realidade da violencia doméstica" Vostede xa gañou en edicións anteriores moitos premiso da MITEU, e presentara en 2009 unha obra chamada Marca'dor, tamén sobre unha muller. O espectáculo do ano pasado chamábase Son[h]o-dor-mente, e gañou o Premio do Xurado aquí na MITEU. O título da obra podíase ler A Dor Mente. Un amigo di que estou facendo unha triloxía da dor, pero o ano pasado a obra trataba da loucura, do punto de vista dunha muller loca; a de hai tres anos, Marca'dor, da vida e obra dunha poetisa portuguesa, Florbela Espanca, que foi unha muller que sufriu moito e se suicidou por amor. Eu traballo sempre cos sentimentos. Como se lle ocorreu unir o tema da violencia machista ao texto de Anaïs Nin? Son en principio temas moi diferentes. O texto xa o coñecía de hai anos, e en verdade non ten nada que ver coa violencia doméstica. En portugués chámase A casa do incesto; só polo nome da obra xa se desprende do que vai. Mais o que me gusta no texto son as palabras que Anaïs Nin usa, as metáforas son dunha beleza arrepiante. O meu traballo foi ler varias veces o texto e cortalo, cortar moito texto e reescribilo adaptándoo á realidade da violencia doméstica. A verdade, do texto orixinal ten moi pouco, de case 100 páxinas quedo con 6. O texto de Anaïs Nin gustoume moito, malia que non teña nada que ver co tema da obra, pero elixín o que me gustaba, modifiquei algunhas palabras e construín un texto diferente. "Nas miñas obras o texto é o elemento secundario ou mesmo o último que se agrega" Mais a súa obra non é só texto, ou precisamente o texto é o de menos. Traballa co corpo dos actores, é unha fermosa e violenta danza. Como concibiu o traballo actoral e a posta en escena? Gosto da súa expresión "é una fermosa e violenta danza". Nin eu o describiría mellor. É verdade, nas miñas obras o texto é o elemento secundario ou mesmo o último que se agrega. Sempre teño dificultades en elixir un texto, nunca elixo un texto dramático, e aos textos das miñas obras os metamorfoseo, gústame que teñan un cuño persoal e que estean de acordo co que para min é o máis importante da obra, a parte visual. Sempre dou primacía ao visual. Sempre que comezo unha nova obra, é a partir dunha idea, que me pode xurdir dunha foto, dun libro, dunha peli, dunha música, ou neste caso, dunha noticia dun xornal. Gústame a dicotomía amor-odio, gústame xogar cos opostos, cos sentimentos que no teatro e en xeral en tódalas artes están sempre moi presentes. O traballo cos intérpretes comeza sempre a partir de improvisacións, improvisacións que teñen como punto de partida palabras soltas, frases, fotografías, músicas, películas. Traballo cos intérpretes en grupo, parella ou individualmente, depende tamén do número de xente que teño para traballar. A verdade é que a parte física e visual son para min o máis importante. O proceso creativo é demorado e duro, din que son moi rigoroso, pero temos que ter rigor en todo o que facemos. Nunca podemos olvidar que estamos a traballar para o público, que o fin último do noso traballo é a xente que paga para mirar o noso traballo. "Teño amigos que me din que as miñas obras non son de teatro, pero si de danza; outros din que é performance ou teatro contemporáneo; a min non me gusta rotular as cousas" Eu nunca amoso un traballo ao público se a min non me gusta. Nós, que traballamos no teatro, non podemos permitir que o espectador que vai por primeira vez ao teatro a vernos saia defraudado, nin que a súa primeira ida ó teatro sexa a última. Teño amigos que me din que as miñas obras non son de teatro, pero si de danza; outros din que é performance ou teatro contemporáneo; a min non me gusta rotular as cousas, sempre refírome ás miñas obras como espectáculos, porque ao final hoxe en día as artes están tan mesturadas... Parece que hai dúas mulleres na obra que en realidade son a mesma. Pero cada unha representa algo distinto. Hai quen di que son dúas mulleres, e hai quen di que as dúas son unha; a min non me gusta dar a miña opinión sobre as miñas obras ó dicir que isto é así, que isto é iso. Gústame que cada espectador teña a súa lectura do espectáculo, que o mire e o interprete como seu de acordo coa súa historia persoal, coa súa vida, co que o rodea. Gústame que os meus espectáculos poidan ter varias interpretacións, tantas como o número de espectadores que asisten. Pero na miña concepción as dúas mulleres son unha e representan todas as mulleres do mundo vítimas de violencia doméstica. Que obxectivo persegue con esta obra, se é que o ten? Antes de nada, quería deixar claro que Mata-dor é un espectáculo sobre a violencia doméstica de homes con mulleres, a opción foi tratar este tema desde o punto de vista das mulleres que son vítimas dos seus compañeiros. Mais tamén existe violencia doméstica ao revés, de mulleres que maltratan os seus compañeiros, e violencia doméstica entre parellas do mesmo sexo. Teño un amigo director que di que non é mensaxeiro, por iso non pretende transmitir ningunha mensaxe cos seus espectáculos, que se é para pasar unha mensaxe, envía un e-mail, non fagas una obra de teatro... A verdade é que non sei contestar a súa pregunta. O obxectivo primeiro é sempre facer una obra de teatro que lle guste á xente, sabendo que non lle vai gustar a todo o mundo de antemán. Queres intentar transmitir sensacións, sentimentos, bos e maos, pois os dous fan parte do ser humano. "Quedo satisfeito se ao final da obra a xente queda a pensar no que acaba de mirar; non só no final, senón que, días despois, por casualidade, nas súas casas, no traballo, nun bar tomando unha copa, vendo televisión, por uns momentos fiquen en silencio e se dan conta de que están a pensar na obra" A vida é unha sucesión de maos e bos momentos. Quedo satisfeito se ao final da obra a xente queda a pensar no que acaba de mirar; non só no final, senón que, días despois, por casualidade, nas súas casas, no traballo, nun bar tomando unha copa, vendo televisión, por uns momentos fiquen en silencio e se dan conta de que están a pensar na obra. Xa que o teatro é unha arte tan efémera, se polo tempo que sexa, poida prolonga-la satisfacción ou o malestar que poida provocar a obra no público... xa é unha vitoria. Posta en escena Hai un traballo actoral moi grande. Fai algún tipo de selección? Non hai selección. Os alumnos inscríbense en outubro no teatro. Teño moitos, vinte, trinta, pero como traballo catro días pola semana catro horas diarias, son moi rigoroso, moi físico, hai moito adestramento, a xente marcha. Eu traballo cos que quedan. Gústame este tipo de selección porque non boto a ninguén, vaise porque quere e o que queda ten que cumprir os horarios, e gústame máis porque sei que os que quedan, que son poucos, quedan porque queren, e están a gusto. "Viaxamos moito, somos a compañía que viaxa máis, cruzamos un montón de veces o Atlántico, América Latina, África, Asia, viaxamos por España moitas veces, a semana pasada estivemos en Santiago e Lugo, en maio estaremos na Coruña" Viaxamos moito, somos a compañía que viaxa máis, cruzamos un montón de veces o Atlántico, América Latina, África, Asia, viaxamos por España moitas veces, a semana pasada estivemos en Santiago e Lugo, en maio estaremos na Coruña, tamén, hai invitacións para Granada... En Santiago estivemos dúas veces porque tamén fomos ó Festival de Danza. Como é unha mestura... Dende hai uns anos estamos participando en festivais de teatro e de danza. Digamos que é unha selección natural. Léolle unhas cantas frases de Anaïs Nin que van moi ben coa obra: "O erotismo é unha das bases do coñecemento de un mesmo, tan indispensábel como a poesía"; "A carne contra a carne produce un perfume, pero o roce das palabras non enxendra senón sufrimento e división"; "É a culpa, o medo, a impotencia o que fai crueles aos homes"; "A única anormalidade é a incapacidade de amar"; "Só o latido ao unísono do sexo e do corazón pode crear a éxtase". Ela xoga moito coas palabras, sempre no que escribe fai unha dicotomía, quere dicir algo pero non quere dicilo, xoga cos opostos, que é tamén no que me gusta no teatro, xogar cos opostos: xogar co amor, co sufrimento, porque todos buscamos na vida o amor, ser felices, pero chegar até aí é un percorrido doloroso, e gústame moito traballar con temas cercanos a todo o mundo, que se identifiquen, e gústame transmitilo non só mediante a palabra, tamén mediante o físico, porque sempre digo ós meus actores: se alguén vai golpear a alguén ten que golpealo, non pode facer que o golpea, porque se fas que o golpeas, o público sinte que só estás a facer que o golpeas, mais non o estás a golpear de verdade. "Hai que vivir as cousas en toda a súa crueza" Para golpear, hai que golpear con verdade. Intento nesta obra, que é un tema moi duro, que se aproximen o máis posible a alguén que pasou por isto. Persoalmente ninguén que non o teña pasado podemos opinar e dicir como se sinte unha muller, se non estamos na súa posición non sabemos o que sinte, como acciona... Polo menos hai que estar na súa posición física. E non ten medo de que as mentes benpensantes non o acepten e digan que é moita violencia ao vivo, demasiado real? Non, hai que vivir as cousas en toda a súa crueza. |
NOS_27193 | Este domingo quen toma a palabra en #VenhanMais5 é Mercedes Oliveira, catedrática de Filosofía do instituto Alexandre Bóveda de Vigo e especialista na educación afectivo-sexual na adolescencia. | -Como avalías o estado actual das cuestións relativas á igualdade no noso país? -O estado actual da igualdade segue a ser preocupante. Hai moitos comportamentos machistas e as redes ainda inzan mais a sua visibilidade. Pero tamen hai mais xente comprometida co feminismo que en ningunha outra época. Digamos que a xente se foi posicionando. -E que evolución agardas a cinco anos vista? -Teño moita confianza na xuventude. Creo que estamos a vivir un fenómeno sociolóxico de concienciación da xente nova sen precedentes. Son moi ilusionantes os datos como a cantidade de adolescentes que había nas manifestacións do 8 de marzo, a macro-manifestación das mulleres contra Trump, e, a un nivel mais local, un fenómeno como Comando da Igualdade en Coia... -Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar? -Espero que sigades dándolle visibilidade a este problema e contando co asesoramento de persoas expertas para incluír sempre a perspectiva de xénero en todos os temas. |
NOS_19741 | Após o sucesso das edições anteriores dos cursos de português aPorto, pensados para persoas da Galiza, a Associaçom Galega da Língua e Andaime aumentam e a oferta e criam emChaves. | Segundo informa a AGAL, já está aberto o período de inscrição para os cursos aPorto 2012. Os aPorto são Cursos de Português realizados no Porto, com uma semana de duração. Decorrem na segunda quinzena de julho e no mês de agosto e incluem aulas que têm como objetivo a expressão oral e ainda, durante as tardes, atividades culturais e conversas informais. AGAL e Andaime afirmam que o interesse pela língua e as culturas veiculadas em português não deixa de crescer na sociedade galega, nomeadamente junto do corpo docente, das empresas presentes em países lusófonos e o associativismo: "Pelas caraterísticas das falas galegas, a cidadania galega tem uma grande facilidade para a aprendizagem do português. Essa mesma facilidade dificulta a competência na expressão oral, razão pelo qual, é o foco principal das aulas", acrescentam os organizadores. É por isso que, dada a procura da passada edição, aumenta a oferta temporal dos aPorto passando de 4 a 7 semanas, abrangendo não apenas o mês de agosto como a segunda quinzena de julho. Mas a novidade mais significativa é a parceria alcançada pela AGAL com o Pólo da UTAD (Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro) em Chaves para criar os emChaves e que vão seguir uma estrutura similar aos aPorto. A parte letiva decorrerá no antedito centro universitário e a secção de turismo cultural idiomático engloba várias lugares significativos de Trás-os-Montes: a cidade de Chaves, o eco-museu do Barroso, Vila Real, Peso de Régua e as termas de Vidago. O emChaves terá lugar na primeira semana de julho. O site de aPorto recolhe todas as informações úteis para as pessoas que quiserem inscrever-se nestes cursos. |
NOS_23486 | A praza de San Fernando, en Tui, acolleu na tarde do sábado, día 10, unha concentración en que participaron centos de persoas que reclamaron solucións e axudas urxentes para as afectadas e os afectados da explosión pirotécnica. En Marea pide a declaración de zona catastrófica. | Centos de persoas concentráronse na tarde do sábado, día 10, na praza de San Fernando, en Tui, para reclamaran axudas e solucións inmediatas para as afectadas e afectados pola explosión pirotécnica do 23 de maio. E é que as prexudicadas e prexudicados denuncian atrasos nas axudas e piden o incremento das contías, atención psicolóxica continuada e a implicación de todas as administracións ao mesmo nivel. As veciñas e veciños afectados emprazan as compañías de seguros a non poñerlles máis obstáculos e esixen máis axilidade co fin de poder accederen ás súas vivendas. Estímase que hai perto de 800 prexudicadas e prexudicados e rexistráronse 37 feridas e feridos. Hai 31 casas derruídas, 86 vivendas coas súas estruturas afectadas e 311, danadas. Tamén hai 66 carros inutilizados. Zona catastrófica O portavoz de En Marea, Luís Villares, que estivo presente na concentración da tarde do sábado, insiste en reclamar que se sufrague o cento por cento do valor das vivendas e dos enxovais destruídos pola explosión; a posta en marcha da axuda psicolóxica e a declaración de zona catastrófica para a contorna de Paramos. Aliás, En Marea esixe a posta en marcha do plan de catástrofes para o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, toda vez que non foi utilizado coas vítimas de Tui, informa o partido dirixido por Luís Villares. En Marea tamén reclama uns procedementos administrativos máis fluídos, en que os custos corran por conta da Administración e que teñan prazos de reclamación de sesenta días, así como unha oficina de reclamación que acolla o gabinete técnico e xurídico e unha bolsa de empresas colaboradoras que agrupe compañías que presten axuda ás afectadas. |
NOS_7577 | Pasada medianoite, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmaba 56 vítimas mortais, cifra que, segundo sinalou, podería incrementarse nas últimas horas. | O presidente da Xunta de Galiza aseguroununha entrevista coa TVG comezado xa o 25 de xullo que a cifra de vítimas mortais situábase en 56 persoas, número que podería ir a máis nas próximas horas e que se podería incrementar, en especial, coas persoas que viaxaban nun vagón calcinado no que aínda non se puido entrar.Feijóo indicou tamén que 11 persoas estaban fora de perigo e entre 10 e 20 en "situación máis comprometida". Alberto Núñez Feijóo indicou con anterioridade na SER que as autoridades xudiciais iniciarán a rolda de identificación dos corpos se ben será a delegación do goberno español quen informe das persoas falecidas. O presidente da Xunta calificou como "moi impactante" a escena do sinistro na que se atopan, considerou, "un vagón destrozado" e outro "triturado". Aliás informou de que a ministra de Fomento, Ana Pastor, voa xa para a Galiza. |
NOS_6030 | En conversa cos xornalistas e as xornalistas, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acousa ao presidente da xunta de dar "bandazos" e confrontar co Goberno do Estado español no canto de adoptar medidas necesarias ante os contaxios de Covid-19. | O secretario xeral do PSdeG (Partido Socialista da Galiza), Gonzalo Caballero, censurou a "enorme inconsistencia" que aprecia no discurso do presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixoo, a quen acusou ademais de andar a dar "bandazos" e de estar "máis preocupado" en "confrontar" co Goberno do Estado e coas súas decisións sanitarias que en adoptar as medidas necesarias ante a Covid-19. A pasada quinta feira, as xornalistas interrogaron o líder dos socialistas galegos en relación coa actual situación sanitaria e co debate sobre a necesidade de incrementar ou non as restricións como o adianto do toque de recoller ou a reclusión no fogar, posición na que se situaba o Bloque Nacionalista Galego ao defender o confinamento de dúas semanas. Sobre a ampliación das medidas adoptadas fronte á Covid-19 por parte da Xunta, Gonzalo Caballero reprochou a actitude de Feixoo, que "hai dous meses" dicía que decretar o estado de alarma suporía "un gran perigo" e non permitiría "ter un gran Nadal e grandes datas de Semana Santa". "Estaba fóra da realidade", sinalou Caballero, para criticar que a Xunta estea máis preocupada por "buscar debates estériles" que por adoptar todas as medidas ao seu dispor, ao contar coa autoridade delegada do estado de alarma. Caballero non descartou a necesidade de aumentar as restricións para frear esta terceira vaga, pero si apostou por tomar accións e decisións "ponderadas en cada momento". "Xa escoitamos como o BNG no mes de outubro promovía un confinamento total", exemplificou o líder dos socialistas galegos, e que finalmente os datos evidenciaron que as medidas adoptadas foron "suficientes" para controlar a segunda vaga da pandemia. Por todo iso, pediulle ao resto de forzas políticas abandonar debates "estériles" en favor da "consistencia" e a "responsabilidade", sempre desde o respecto ás decisións adoptadas con criterios clínicos tanto desde a Xunta como desde o Ministerio de Sanidade. |
PRAZA_4337 | Os recortes e privatizacións realizados na última década en sanidade, e a entrega das Residencias de Maiores a mans privadas e amigas, son os antecedentes necesarios para que esta epidemia provocase unha mortalidade tan elevada neses entornos. | Galicia é un territorio periférico (o Finis Terrae) e a súa poboación vive dispersa en aldeas, vilas e cidades pequenas. A chegada de persoas de fóra é escasa (se pechamos o Camiño de Santiago) e non temos un aeroporto internacional con excesivo tránsito de estranxeiros. Esta situación tivo, nesta epidemia do coronavirus, un efecto protector. Neste caso foron as condicións propias da nosa xeografía as que nos protexeron.A sanidade pública galega foi desmantelada desde a chegada ao poder de Núñez Feijóo en 2009. Os recortes aplicados e as privatizacións deixaron o servizo público moi debilitado e con escasa capacidade de resposta ante a pandemiaA pandemia tivo en Galicia unha repercusión menor que noutras CCAA. Os estudos realizados indican que arredor do un por cento da poboación tivo contacto co virus. O confinamento foi eficaz e permitiu diminuir o número de contaxios. Ata o día de hoxe morreron por esta causa 612 persoas. É un drama, pero o impacto non foi tan severo como noutras partes do Estado. Ainda podería ser menos se non se deran condicións previas que facilitaron a penetración explosiva do coronavirus en dous espazos moi determinados: nos Servizos Sanitarios e nas Residencias de Maiores. A sanidade pública galega foi desmantelada desde a chegada ao poder de Núñez Feijóo en 2009. Os recortes aplicados e as privatizacións deixaron o servizo público moi debilitado e con escasa capacidade de resposta ante a pandemia. Moitos profesionais foron afectados por carecer da necesaria protección. A falta de medios provocou un risco real de colapso do sistema. Todas as mortes producen dor, pero nesta pandemia produciuse unha altísima mortandade nas Residencia de Maiores, en situacións de soedade e abandono, que as fai especialmente dolorosas. Ata o día de hoxe houbo en España 18.600 mortos en centros xeriátricos por causa do Covid-19, a maioría en Madrid, Catalunya e nas dúas Castelas. É un auténtico drama, irreparable, que ten moito que ver coas privatizacións realizadas nos últimos anos, que converteron estas institucións en negocios que cotizan en bolsa (en mans de fondos voitre e de Florentino Pérez). A prestación do servizo estaba baseada en conseguir o máximo beneficio mediante o recorte de medios, de persoal e a precarización da atención. Neste momento non puideron frear a traxedia. E houbo hospitais que deron orden[1] para non ingresar pacientes dos xeriátricos afectados polo Covid. En Galicia faleceron nas residencias 271 persoas e houbo tamén coidadores afectados. Eso significa o 45% do total de mortos en Galicia. De non ser por esta altísima afectación das institucións xeriátricas o número de defuncións polo coronavirus sería pouco máis de trescentos, o que significaría un impacto moito menor do Covid-19 na nosa Comunidade. As políticas aplicadas nos anos anteriores teñen moito que ver coa precariedade actual das residencias.Os recortes e privatizacións realizados na última década en sanidade, e a entrega das Residencias de Maiores a mans privadas e amigas, son os antecedentes necesarios para que esta epidemia provocase unha mortalidade tan elevada neses entornosNúñez Feijóo favoreceu a privatización das residencias e a Xunta fixo unha total deixación de funcións no control da calidade da atención prestada (Consello de Contas de Galicia[2]). A maioría dos falecidos estaban en residencias privadas, sobre todo nas xestionadas por DomusVi e pola Fundación San Rosendo. DomusVi[3] é a maior rede privada de residencias de maiores de España; a súa xerenta é Josefina Fernández[4], persoa próxima ao PP[5] que a finais de 2019 recibiu o premio Galicia Global de mans do conselleiro de Economía. A Fundación San Rosendo está presidida por Benigno Moure[6], un cura –amigo de Fraga, distinguido cunha medalla Castelao- que foi condenado en 2008 a cinco anos de cárcere por roubar 600 mil euros a unha muller demenciada; a pesares da sentencia xudicial firme o PP presionou para que Moure non ingresara en prisión, e chegaron a convocar unha manifestación en 2011. Nesas mans está a atención dos nosos maiores.Así pois, os recortes e privatizacións realizados na última década en sanidade, e a entrega das Residencias de Maiores a mans privadas e amigas, son os antecedentes necesarios para que esta epidemia provocase unha mortalidade tan elevada neses entornos. As políticas de recortes e "austeridade" foron impostas polo PP desde o goberno central, e aplicadas aquí por Núñez Feijóo de maneira implacable. Agora quere aparecer, neste momento preelectoral, como o heroe que freou a pandemia. Pero as súas actuacións previas contribuiron máis ben ao contrario. As familias[7] afectadas xa acudiron ao xuzgado[8]. A ver se a xustiza non tarda en actuar.Notas[1]https://www.elconfidencial.com/espana/2020-05-18/ancianos-orden-pacientes-residencias-hospital_2593211/?utm_source=facebook&utm_medium=social&utm_campaign=BotoneraWeb&fbclid=IwAR3XgDJKNAJrncHqyCoG-TT053fFSQcAQdjUSdguZE86eqLjrughlx63DbI[2]https://contrainformacion.es/alberto-nunez-feijoo-covid-19-un-informe-del-consello-de-contas-de-galicia-demuestra-que-la-xunta-no-actuo-para-acabar-con-los-deficits-de-las-residencias-de-mayores-privatizadas-por-el-pp/[3]https://www.nosdiario.gal/articulo/social/conivencia-da-xunta-coa-patronal-das-residencias/20200331200305094342.html[4]https://www.europapress.es/galicia/noticia-josefina-fernandez-domusvi-recibe-premio-galicia-global-2019-20191219183716.html[5]https://www.nosdiario.gal/articulo/social/comite-etica-do-grupo-domusvi-baixo-sospeita/20200520203813098069.html[6] https://www.eldiario.es/galicia/Homenajean-condenado-euros-anciana-alzheimer_0_600540197.html[7]https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/1893224/familia-denuncia-residencia-fundacion-san-rosendo-xunta-delito-homicidio-omision-dolosa[8]https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/1935124/fiscalia-suma-denuncias-familiares-usuarios-diligencias-mantiene-abiertas-residencias |
NOS_28104 | A CIG cifra nun 80% o persoal que tomou parte no protesto. En Vigo e A Coruña centos de empregados participaron nas manifestacións para demandar un convenio colectivo xusto. | Os traballadores do sector dos centros de chamadas de Galiza, por volta de 8.000, non fraquean. Con tres greves ao lombo e varias xornadas de paros parciais, volveron este 28 de novembro apoiar masivamente a nova greve por un convenio xusto, a cuarta que se convocaba no que vai de 2016. Laura Pérez, da CIG, cifrou nas primeiras estimacións nun 80% o seguimento da convocatoria. Unha porcentaxe que amosa o compromiso dos traballadores. O sector protagonizou en Galiza neste ano catro greves: 5 de abril, 11 de xullo, 6 de outubro e 28 de novembro Nesta xornada había convocadas concentracións en Ourense e Lugo, así como manifestacións na Coruña e Vigo. Na cidade olívica, centos de persoas tomaron parte na mobilización, na que se reivindicou un convenio "digno e galego". Con esta xornada de protesto, que decorre a nivel de todo o Estado, rexéitase a pretensión da patronal de subir un exíguo 1% os salarios, así como os recortes en horas médicas e maior dificultade para conciliar vida persoal e laboral. Desde a CIG, sindicato máis representativo do sector en Galiza, incídese en que "non se pode considerar a estas alturas o sector de Contact Center como actividade en vías de consolidación", reivinbdicando que o persoal debe ter contratos fixos, ficando os temporais para "casuísticas moi determinadas". A respecto dos contratos de obra e servizo "deberían limitarse a novas campañas con duración igual ou inferior a seis meses", eliminándose, asemade, os contratos formativos, "que non teñen ningún tipo de xustificación no sector". "Tomadura de pelo" A proposta de suba salarial dun escaso 1% supón, para a central nacionalista, unha "auténtica tomadura de pelo", tendo en conta que as subas do IPC desde a aprobación do anterior convenio "esixirían un mínimo do 8%" para uns salarios que rara vez chegan a mileuristas". A plataforma que defende a CIG propón, de feito, unha suba liñal de 540 euros para que os salarios manteñan o poder adquisitivo, así como incluir un complemento de quinquenio correspondente a 50 euros. |
NOS_49071 | A Asociación Galega para a Defensa da sanidade Pública asegura foi un "gasto innecesario" e "sobrecargou a actividade do persoal sanitario e a actividade dos centros". | O macroestudo epidemiolóxico anunciado o pasado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo para testar a presenza da COVID-19 na poboación e que el mesmo anulou esta pasada sexta feira é o branco das críticas da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública. Desde esta asociación explican nun comunicado que "a enquisa non responde a un deseño estatístico serio e eficiente" e entenden que "un numero moi inferior de probas sería suficiente para coñecer a extensión da infección entre a poboación". Denuncian que este proxecto "sobrecargou aínda máis a actividade dos Centros de Atención Primaria, especialmente do persoal de enfermaría" e supuxo "un gasto innecesario nun momento de grave crise sanitaria e económica que debería obrigar a concentrar os esforzos e o gasto nos problemas de saúde máis importantes", poñendo como exemplos "a enorme mortalidade nas Residencias de Maiores en mans de fondos de investimento multinacional e organizacións dalgúns grupos da Igrexa". Risco para a saúde de pacientes Desde esta asociación indican que "mentres levaban a cabo de maneira innecesaria estas miles de probas, unha boa parte do persoal sanitario segue sen realizalas, poñendo así en risco a saúde de pacientes e a actividade dos centros". Por este motivo rexeitan o que denominan "basta utilización dunha gravísima crise sanitaria e social, coa única finalidade de obter réditos electorais". Para a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública resulta "indignante e patético que a Xunta da Galiza gastara máis dun millón de euros para poñer o seu logotipo a unhas máscaras que se reparten á poboación". A Xunta insiste nas probas O Instituto Galego de Estatística (IGE) comezará a analizar a próxima semana a primeira onda de 50.925 test do estudo epidemiolóxico que está a realizar o Sergas no país para sacar conclusións sobre a circulación do virus por Galiza. Despois de que se concluíra a primeira fase, o Sergas xa empezou a traballar na preparación da segunda onda de test que achegará outras 50.925 probas á cidadanía dentro dunhas catro semanas. Así se completará o estudo epidemiolóxico que a Xunta da Galiza está a levar a cabo na autonomía para "definir o mapa epidemiolóxico" da COVID-19, explicou este sábado a Consellaría de Sanidade nun comunicado. A pesar das voces críticas --tanto sanitarias como políticas-- ao estudo epidemiolóxico da Xunta, a Consellaría asegurou que o test anticorpos utilizados para este traballo, que son os que enviou o Goberno español á Galiza, teñen o aval do Centro Estatal de Microbioloxía e do Instituto de Saúde Carlos III do Ministerio de Sanidade. |
NOS_51982 | Os prezos seguen en caída libre. Son os máis baixos do Estado e continúan a baixar: sete veces en sete meses. | Cada informe mensal que elabora o Fondo español de garantía agraria (FEGA) sobre os prezos do leite no Estado demostra que o que vai mal sempre pode ir peor, e no sector do leite de Galiza a marxe de empeoramento semella que non acaba. O último documento do FEGA amosa como os prezos continúan en caída libre no noso país: nos sete primeiros meses de 2016, sete caìdas no que se lle paga aos gandeiros, unha situación "insoportábel", como recoñecen desde o propio sector. O informe do Fondo indica que o leite pagouse de media a 26,8 céntimos o litro en Galiza en xullo, o que é unha baixada considerábel a respecto do xa de por si baixo que se pagaba en xaneiro (28,8 céntimos). Na primeira metade do ano caeu, logo, en 2 céntimos o litro. Non é de estrañar, pois, que nestes meses tivesen que botar o fecho 323 granxas galegas, 51 delas no mes de xullo, o último do que se dispoñen datos. No Estado español o prezo medio ao que se pagou o leite ese mes foi de 28,6 céntimos o litro. O máis baixo desde hai catro anos. No caso galego, a situación é aínda peor, ao se pagar de media no noso país o litro a 2 céntimos menos que na media española. "Enganan os gandeiros" Esta terza feira, 6 de setembro, hai convocada en Lugo unha manifestación para denunciar a situación "catastrófica" que atravesa o sector leiteiro galego. A mobilización está convocada por Agromuralla e conta co apoio da OPL. O protesto (partirá ás 12:00 horas da Ronda da Muralla) critica que após un ano da sinatura do acordo lácteo (que non foi rubricado por SLG nin UUAA) a situación dos gandeiros é peor que antes. "Foi un engano os gandeiros", afirman ao tempo que sinalan as responsabilidades da administración neste problema que obriga ao fecho de centos de explotacións leiteiras galegas. |
PRAZA_17919 | Os socialistas afirman que o perdón da débeda é "xuridicamente inviable", pero un cambio na normativa da UE en 2017 avala as axudas aos portos marítimos sempre que se aprobe unha norma específica que legalice esta operación, o que permitiría que Coruña recibise o mesmo trato dado a Valencia. | O cambio no Goberno central semella ter producido tamén un intercambio de posicións entre PP e PSOE no tema do futuro do porto interior da Coruña. Se ata hai uns meses existía unha unidade de criterio entre Marea Atlántica, PSdeG-PSOE e BNG, que reclamaban unha revisión dos convenios de 2004 para evitar a privatización dos terreos portuarios defendida polo PP para facer fronte ás débedas da Autoridade Portuaria. Neses momentos era o PP que ficaba só unha e outra vez nas votacións das mocións presentadas no pleno municipal. A chegada de Pedro Sánchez á Presidencia do Goberno provocou un cambio de posición no PP, que comeza a esixir a condonación da débeda xerada pola construción do Porto Exterior, pero tamén levou a que agora sexa o PSdeG-PSOE quen se poña do lado do Goberno central, rexeitando unirse á solicitude desa solución para a débeda da Autoridade Portuaria. Os socialistas afirman que o perdón da débeda é "xuridicamente inviable", pero un cambio na normativa da UE en 2017 avala as axudas aos portos marítimos sempre que se aprobe unha norma específica que legalice esta operación O vicesecretario xeral do PSdeG-PSOE, Pablo Arangüena, salientou este mércores a "inviabilidade xurídica" da condonación da débeda, afirmando que os casos de Valencia e Coruña son "radicalmente distintos" e sinalando que si é posible o perdón das débedas xeradas "por un acontecemento puntual", como foi a Copa América de Vela (que deixou, xunto con outros eventos como a organización do Gran Premio de Fórmula 1, unhas débedas de 350 millóns de euros) pero non as obrigas provocadas pola construción dun porto de interese xeral, como é o de Punta Langosteira. Arangüena subliñou que a condonación desta débeda "vulneraría o dereito europeo". Porén, como explica este xoves La Opinión, a Comisión Nacional da Competencia e dos Mercados (CNCM) avala as axudas aos portos marítimos tras un cambio na normativa da UE en 2017. Iso si, a lei obriga a que, previamente, se aprobe unha norma específica que legalice esta condonación. O PSdeG-PSOE tamén sinala que o perdón á debeda valenciana fíxose a un consorcio e non directamente á autoridade portuaria. O Concello da Coruña propuxo hai máis dun ano a constitución dese consorcio no Porto da Coruña, no que participarían todas as administracións implicadas (Concello, Deputación, Xunta e Estado central). A proposta para a creación do consorcio foi apoiada por Marea Atlántica, PSdeG-PSOE e BNG no pleno municial do pasado mes de novembro. O Concello da Coruña leva máis dun ano reclamando a creación dun consorcio coma o existente en Valencia, formado por todas as administracións implicadas Marea Atlántica, que levará unha moción ao pleno municipal do día 10 de setembro, criticou este mércores que o Goberno do Estado "non estea á altura das expectativas con respecto ao futuro do bordo litoral da cidade" e pediulle ao PSOE e ao Goberno central que "sexan quen de rectificar, actuar pensando nos intereses da cidadanía da Coruña e favorecer a condonación da débeda da Autoridade Portuaria ligada ao Porto Exterior", o que permitiría evitar a privatización dos terreos portuarios. A Marea lembra ademais que "Pedro Sánchez recibiu no Congreso o apoio incondicional de moitas forzas políticas diferentes para converterse no presidente do Goberno e iniciar unha nova etapa nas institucións do Estado" e pídelle aos socialistas que expliquen "cales son as razóns e o amparo legal que xustifica que o Executivo do Estado sexa quen de condonar un préstamo a un Consorcio, pero non pode facer o propio cunha Autoridade Portuaria, sendo ambas entidade públicas integradas no sector público estatal e sometidas ao mesmo réxime orzamentario". |
NOS_37401 | O Parlamento israelita aprobou unha lei que pune "mozos palestinianos que acostuman participar en protestos". Para a ministra de xustiza "un lanzador de pedras é un terrorista". | A iniciativa lexislativa foi proposta pola ex-ministra de Xustiza, Tzipi Livni, durante o seu cargo e promovida pola actual responsábel ministerial, Ayelet Shaked e visa punir con entre 10 e 20 anos de prisión aquelas persoas que lancen pedras contra as forzas de seguridade ou civís. A lei aprobouse no Parlamento israelita por 69 votos a favor e 17 en contra sendo que se dirixe á mocidade palestiniana que "acostuman participar en protestos" contra a ocupación sionista ou as redadas policiais, para alén daqueloutras persoas que "de maneira individual ou como parte dunha facción armada palestiniana tiran pedras contra vehículos" que circulen polos territorios ocupados de Cisxordania. A nova norma diferencia dous tipos de delito aos que atribúe unha pena distinta. Isto é até 10 anos sen que a fiscalía teña que demostrar a intención de causar dano e até 20 de ser probado. Após a aprobación do texto no lexislativo israelita a titular de Xustiza, a deputada de Fogar Xudeu, Ayelet Shaked, asegurou que "hoxe se fixo xustiza. Durante anos os terroristas escaparon dos castigos e da súa responsanilidade. A indulxencia cos terroristas remata hoxe. Un lanzador de pedras é un terrorista e só unha sentenza acorde pode servir como disuasión". |
PRAZA_12853 | Os orzamentos xerais do Estado para o 2012 teñen merecido diversas análises a respecto das grandes liñas de política económica que se explicitan no seu interior e sobre o tratamento que reciben os distintos territorios na distribución das principais partidas de gasto que se reflicten no mesmo. Pretendo sinalar algunhas realidades significativas que se poden constatar nos devanditos orzamentos a través do repaso dos gastos relativos a catro eidos específicos: Ministerio de Defensa, cooperación internacional, Igrexa católica e Casa Real. | Como é sabido, os orzamentos que presenta un goberno para a súa discusión e aprobación na Cámara parlamentaria proporcionan un determinado nivel de información a respecto de tres cuestións básicas: cal é o volume total dos recursos que xestiona esa administración pública; como obtén eses fondos e que prioridades de gasto establece nas súas previsións anuais. Mentres o conxunto dos Ministerios experimentan unha redución media do 16,9% para o 2012, o departamento de Defensa só ve diminuído o orzamento nun 8,8% En termos xerais, un concello, unha Comunidade Autónoma ou a Administración central do Estado dispoñen duns ingresos que proveñen de catro fontes principais: os tributos que paga o corpo social, as transferencias que recibe doutras administracións, a posíbel venda de bens pertencentes ao patrimonio público e o endebedamento que estima necesario contraer. A partir dos recursos dispoñíbeis, a equipa gobernamental correspondente debe concretar as previsións dos gastos anuais nos diversos capítulos que abrangue o seu labor como xestores públicos:prestación de distintos servizos, investimentos, retribucións ao persoal empregado, mantemento do propio aparello administrativo, pago das débedas (e dos seus xuros)… Os orzamentos xerais do Estado para o 2012 teñen merecido diversas análises a respecto das grandes liñas de política económica que se explicitan no seu interior e sobre o tratamento que reciben os distintos territorios na distribución das principais partidas de gasto que se reflicten no mesmo. Neste breve apuntamento, pretendese sinalar algunhas realidades significativas que se poden constatar nos devanditos orzamentos a través do repaso dos gastos relativos a catro eidos específicos: Ministerio de Defensa, cooperación internacional, Igrexa católica e Casa Real. Diversos informes teñen cifrado en 2.000 millóns de euros o custe orixinado pola presenza en Afganistán. Por outra banda, a participación na operación de Libia representou, até o momento, un gasto de 139 millóns de euros Mentres o conxunto dos Ministerios experimentan unha redución media do 16,9% para o 2012, o departamento de Defensa só ve diminuído o orzamento nun 8,8%. Se revisamos os programas concretos de gasto tamén podemos observar o contraste entre a menor intensidade dos recortes practicados nos programas ligados á defensa co rexistrado noutras asignacións relativas á industria, ás políticas activas de emprego ou á educación: Ministerio Programa 2011 2012 Var. Absoluta Var. Relativa Defensa Administración e Servizos Xerais de Defensa 1.234.355 1.217.493 -16.862 -1,37% Defensa Gastos Operativos das Forzas Armadas 2.363.738 2.289.059 -74.679 -3,16% Defensa Apoio Loxístico 1.651.255 1.510.951 -140.304 -8,50% Industria, Enerxía e Turismo Fomento e coordinación da investigación científica e técnica 2.015.789 1.392.459 -623.330 -30,92% Emprego e Seguridade Social Fomento da inserción e estabilidade laboral 7.316.265 5.759.558 -1.556.707 -21,28% Industria, Enerxía e Turismo Investigación e desenvolvemento da sociedade da información 369.371 116.644 -252.727 -68,42% Educación, Política Social e Deporte Bolsas e axudas a estudantes 1.431.466 1.265.049 -166.418 -11,63% Educación, Política Social e Deporte Ensinanzas universitarias 399.611 149.664 -249.948 -62,55% Educación, Política Social e Deporte Educación infantil e primaria 263.325 167.130 -96.195 -36,53% Nos Orzamentos Xerais do Estado non aparecen recollidos os custes que supoñen as misións no exterior. Só é posíbel –no capítulo de persoal- comparar a contía das "indemnizacións percibidas por destino no estranxeiro": 79,8 millóns de euros para o 2011 e 73,8 millóns previstos para este ano, unha baixada do 7,5% (moi inferior á devandita redución media do 16,9%). Diversos informes teñen cifrado en 2.000 millóns de euros o custe orixinado pola presenza en Afganistán. Por outra banda, a participación na operación de Libia representou, até o momento, un gasto de 139 millóns de euros. Reduce substancialmente as asignacións orzamentarias destinadas a "cooperación para o desenvolvemento": de 1971 millóns a 678, un espectacular descenso do 65,6% O goberno de Rajoy asume sen complexos a dedicación de importantes fondos públicos ao mantemento dos compromisos que requiren a mobilización de tropas no exterior mentres reduce substancialmente as asignacións orzamentarias destinadas a "cooperación para o desenvolvemento": de 1971 millóns a 678, un espectacular descenso do 65,6%. Se no 2011 existían 217 millóns para subsidiar programas de cooperación promovidos por ONGs, agora só haberá 140 millóns. A mensaxe non admite dúbidas: primeiro os canóns, despois a manteiga. A lóxica da "austeridade" que se utiliza para limitar seriamente a dimensión e a calidade do Estado de benestar, desaparece practicamente cando se trata de establecer as previsións de financiamento da Casa Real e da Igrexa Católica. No primeiro caso só se rexistra unha cativa diminución de 170.000 euros –un 2% menos que no 2011- e no segundo mantense a mesma cantidade de 159.194.592 euros. A lóxica da "austeridade" que se utiliza para limitar seriamente a dimensión e a calidade do Estado de benestar, desaparece practicamente cando se trata de establecer as previsións de financiamento da Casa Real e da Igrexa Católica Despois da "aventura" africana do titular da Coroa, poucos cidadáns asumirían hoxe o carácter intocábel que se lle outorga a esta institución no proxecto orzamentario. A exemplaridade que moitas veces se demanda –e con razón- dos distintos responsábeis políticos resulta mais esixíbel naquelas persoas que encarnan a máxima xerarquía contemplada na lexislación vixente. |
NOS_10898 | A formación independentista da mocidade elixiu unha nova Mesa Nacional e analizou a situación actual de crise económica e social. | Baixo o lema "Semente de revolución", a militancia de Isca!, reuniuse para escoller a nova Mesa Nacional e debater uns documentos centrados en diferentes aspectos políticos e organizativos. Na asemblea analizaron o traballo desenvolvido no período interasamblear e a actual situación de crise económica. Esta asemblea retrasouse no tempo por mor do calendario político das organizacións nas que participan. Na Asemblea elixiuse unha nova Mesa Nacional na que estarán Macías López, Bea Fariñas, Anxo Sánchez, Breixo Lousada e Noa Presas. "Actualizamos a nosa visión política para ser quen de dar resposta á situación de crise económica e social que estamos a vivir a mocidade, cada vez máis grave", afirma Noa Presas, membro desta Mesa Nacional, "e na elección da Mesa tentamos conxugar experiencia con renovación". Na mesma asemblea analizaron a súa capacidade de intervención política coa súa organización de referencia, o Movemento Galego ao Socialismo. |
PRAZA_459 | O pequeno concello ourensán consegue recuperar os case 46.000 euros que a eléctrica lle cobrou de máis en cinco anos e logo de máis dun ano de pelexa "en solitario" contra a compañía. O alcalde, de CxG, quéixase da falta de apoio da Xunta, da Fegamp, de Consumo e do resto de partidos. | Vilar de Santos gañoulle a batalla ao xigante. Fenosa non aplicou durante ben tempo a tarifa de discriminación horaria, cobrando así aproximadamente un 20% máis do debido ao Concello, o que supoñía arredor duns 10.000 euros de máis cada ano. Foi un cobro indebido recoñecido pola propia compañía e o alcalde da localide, Xan Jardón, de Compromiso por Galicia, anunciou esta semana que a institución local vén de ingresar os case 46.000 euros que a eléctrica lles cobrara de máis durante cinco anos e non só a parte que correspondía ao último deses exercicios, tal e como pretendía facer a compañía. Vilar de Santos recupera así os 46.000 euros que Gas Natural cobrou de máis en cinco anos ao non aplicar a discriminación horaria Foi, xa que logo, unha revisión das facturas emitidas ao Concello entre 2008 e 2013 e unha devolución de cartos que chega logo de máis dun ano de loita, de reivindicacións e de pelexas contra o xigante eléctrico. Pero o pequeno -de menos de mil habitantes- venceu nesta ocasión. E fíxoo malia loitar en soidade. De feito, o alcalde quéixase do nulo apoio das institucións galegas. Nin a Xunta, nin a Fegamp, nin o Parlamento fixeron nada, segundo denuncia Jardón, cuxa formación política chegou a enviar unha carta a Felipe González, conselleiro da eléctrica, para explicarlle o caso. Mesmo Consumo, onde o rexedor presentou unha declaración, limitouse a anunciar a apertura dun expediente sancionador pero nada máis se soubo. "Conseguimos todo o reclamado e ingresáronnos os cartos", explica a Praza o rexedor, que insiste na "fraude" levada a cabo por Gas Natural e que afecta a moitos máis concellos de Galicia. "Moitos deles aceptaron a devolución dun só ano ou andan aínda en proceso para que lles devolvan os cartos; a nós, ao final, non se nos discutiu nin un céntimo do informe técnico queu achegamos", lembra. Jardón quéixase dunha pelexa "en solitario" contra a "fraude" da eléctrica e censura a actitude de Xunta ou Fegamp Jardón quéixase dunha pelexa "en solitario" e aclara que "o único agradecemento" vai ao seu grupo de goberno, aos veciños e veciñas de Vilar de Ssantos, á cidadanía galega que os animou a seguir adiante e ao seu partido, Compromiso por Galicia, ademais da empresa de enxeñería Inxetec, que asesorou o Concello á hora de elaborar o informe. "O resto foi todo un despropósito", asegura quen se queixa tamén que non puidese comparecer no Parlamento para explicar unha situación "que sofren moitos concellos" ao non haber "nin un só grupo político que o reclamase en comisión". "Darán as explicacións que queiran, pero a min xa ma deron: ningunha", quéixase. Ademais, e aína que "o tempo da reclamación xa pasou" para Vilar de Santos, o seu alcalde advirte que "seguirá na batalla", máis cando Consumo "non nos di nada nin nos aclara que pensa facer ante esta política fraudulenta por parte da eléctrica". "Que ten feijo Feijóo ante esta situación? Que ten feito a Fegamp, que nunca nos mostrou apoio ningún? Cal é o papel desta Federación?", pregúntase. "Seguiremos loitando porque hai que poñerlle couto a estas prácticas", insiste. O Concello reclamará agora os intereses xerados pola débeda e seguirá denunciando as "prácticas fraudulentas" de Gas Natural Ao final, o acordo para o pagamento deses case 46.000 euros ao Concello de Vilar de Santos chegou sen necesidade de ir a xuízo e tras un acto de conciliación, pero logo dun "laborioso" traballo de doce meses. E a cousa non queda aí, porque a administración local tamén reclamará a Gas Natural Fenosa os intereses xerados pola débeda -"porque os teñen que pagar", recorda Jardón- e pedirá á Xunta que lle exixa unha compensación para esta localidade para todas aquelas afectadas por uns sobrecustos que semellan comúns. Tal e como lembrou en varias ocasións CxG, o Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense, segundo unha estimación propia, asegura que de ser unha "estafa xeneralizada" en Galicia a contía podería sobrepasar os oito millóns e medio de euros no país. De feito, este colexio profesional asesorou varios concellos da provincia ourensá que tamén se enfrontaron á mesma situación. A contía desta "estafa xeneralizada" podería superar os 8,5 millóns de euros en toda Galicia "Somos un país excedentario e exixo, como alcalde de Vilar de Santos, que o presidente Feijóo lle reclame a Gas Natural unha compensación a todos os concellos de Galicia por esta discriminación... E pódena facer en investimento e mellora de infraestruturas, pero débena aplicar sen dúbida", remata. |
PRAZA_20748 | Non fai falla ser moi listo para darse conta que se non chove os seguros ou as axudas non solucionan nada. Un non pode beber cartos nin comelos, nin regar con eles ou alimentar animais. | Até hai ben pouco os que falamos de colapso civilizatorio por causa do cambio climático, do declive enerxético e o esgotamento dos recursos eramos unha banda de tolos apocalípticos. Agora, até os medios mainstream falan de aumento de temperatura media de polo menos dous graos, vagas de calor extremo, do comezo da sexta extinción, etc. E se ben non se emprega o termo colapso (vai resultar que o cancro cúrase por non mencionalo) a prensa do sistema comeza a falar timidamente de consecuencias económicas e sociais. Segundo a Organización Mundial da Meteoroloxía, o pasado ano 2016 foi o máis caloroso do que se ten constancia ao ter unha temperatura 1,1 graos superior a media da era preindustrial. A elo hai que engadir a continúa elevación da temperatura oceánica e a súa degradación. Este ano 2017 pode ser incluso máis caloroso e a seca e os fenómenos climáticos extremos déixanse ver con virulencia, particularmente na Península Ibérica. A situación e preocupante porque en moitos lugares están quedando secos ríos, embalses e acuíferos. Os embalses españois están 15 puntos por debaixo da media dos últimos 10 anos, e os galegos, a un 59,84%, 10 puntos por debaixo da media. Comezan a chegar informacións que indican que a seca e as elevadas temperaturas están levando á morte de especies forestais atacadas en moitos casos por parasitos que en circunstancias normais non resultarían mortais ou non terían chegado a estas latitudes. Do mesmo xeito a situación das colleitas en España é catastrófica, con perdas de máis da metade do cereal e serias dificultades para o mantemento do gando ante a perda de pastos e incremento dos prezos. Nembargantes, pese a gravidade da situación, non parece que gobernos e organizacións políticas queiran facer nada e moito menos discutir a concepción económica e social que nos ten levado a un punto crítico. Así, o goberno central e os seus satélites seguen vendendo o bálsamo de fierabrás do turismo, e a realidade ecolóxica non entra nos seus cálculos. A cousa ten chegado a un nivel tal de enaxenación que a finais de maio os fenómenos paranormais que habitan San Caetano concluíron que "diante da falta de choivas" hai que recomendar aos labregos e gandeiros que subscriban "seguros agrarios para poder afrontar estas situacións". Esta afirmación, que nun país civilizado tería provocado o cese dos responsables de semellante imbecilidade, non mereceu apenas atención dos medios nin da oposición. Paralelamente as organizacións agrarias veñen pedindo axudas económicas, pero non transcendeu reflexión algunha sobre o problema de fondo. Todo isto e amosa o grao de desorientación respecto ao mundo que nos rodea e que afecta aos poderes públicos e aos administrados, que pensan que todo pódese solucionar con cartos sen modificar o sistema económico. Non fai falla ser moi listo para darse conta que se non chove os seguros ou as axudas non solucionan nada. Un non pode beber cartos nin comelos, nin regar con eles ou alimentar animais. Os cartos só serven se hai recursos que poidan ser distribuídos mediante o seu uso, mais, se non hai recursos, os cartos non pasan de ser apuntes contables, promesas de pago ou cachiños de papel. Dende esta perspectiva non deixan de ser placebos tan efectivos como por á conselleira de Medio Ambienta a organizar danzas da choiva. Estamos situados nun momento histórico que pode supor un punto de non retorno. Hai que optar por frear e que o sistema capitalista, sustentado en dogmas alleos a realidade medioambiental, colapse, ou manter o rumbo e colapsar nós con el. |
PRAZA_6212 | A Plataforma Vícitmas Alvia 04155 escribe unha dura carta ao presidente, ao que acusan de ter unha conduta "contraria aos dereitos humanos e aos máis mínimos sentimentos de humanidade" logo de que "unha muralla de policías" vetase a súa asistencia á entrega das Medallas. | Vítimas do accidente ferroviario de Angrois seguen a protestar polo trato recibido pola Xunta. A Plataforma Víctimas Alvia 04155 vén de enviar unha dura carta ao presidente Núñez Feijóo na que denuncian que se lles impedise a entrada ao acto no que se entregaban as Medallas de Galicia do pasado xoves a aqueles que se negaran a recibir este recoñecemento. A misiva, feita pública no blog deste colectivo, deixa claro o seu sentimento xa no encabezado: Medallas para a minoría. Antidisturbios e secreta para a maioría de vítimas e familiares. "Señor Feijóo, a súa conduta é contraria aos dereitos humanos, aos máis mínimos sentimentos de piedade e humanidade", din as vítimas "Señor Feijóo, a súa conduta é contraria aos dereitos humanos, aos máis mínimos sentimentos de piedade e humanidade e o pobo galego non se merece ter un presidente que actúa con tamaña vileza. Marche, señor Feijóo, as vítimas, o pobo galego, os españois de ben e toda a Humanidade agradeceranllo", remata esta dura carta, na que a plataforma denuncia que tiveron que soportar ese xoves "a última das afrentas". "Vostede organizou un acto na Cidade da Cultura para entregar unhas medallas ás vítimas do accidente, pero os seus asesores non debían ter máis que oito enderezos, xa que ese foi o total de vítimas e familiares asitentes, xa que ao resto, non só da nosa asociación, non nos chegou convite ningún", asegura este colectivo, que aclara que, malia que algunhas vítimas expresaron que non querían a medalla "e menos ese día", pensaron que estarían convidadas de forma indirecta, xa que "o acto estaba organizado para nos honrar". "Queriamos explicarlle de forma pacífica cal quera a nosa postura e o motivo da nosa negativa". A plataforma quéixase de que tan só oito vítimas e familiares fosen convidadas ao acto da Cidade da Cultura A plataforma denuncia que, logo de viaxar ata Compostela, atopáronse "cunha auténtica muralla de fornidos policías, armados con pistolas e porras" que les impediu a entrada, malia "portar os certificados de defunción dos familiares falecidos ou certificados do hospital". "Os axentes dixéronnos que cumprían ordes (...) pero ningúen veu a darnos explicacións", seguen. As vítimas denuncian que un policía secreta seguiunos durante toda a xornada "Tivemos que aturar durante todo o día un policía da secreta, algo confesado por el mesmo, queu nos seguiu durante toda a xornada aló onde iamos", continúa a carta, na que critican tamén que Feijóo acudise á misa funeral á Catedral malia "non estar convidado porque as vítimas queriamos que fose íntima e sen políticos". Nin tan sequera se puideron achegar ao presidente, segundo se queixan. Por todo isto, a plataforma pide a Feijóo que marche e critica con dureza a súa actitude ante as homenaxes ás vítimas da traxedia ferroviaria da que se vén de cumprir un ano. |
NOS_4364 | Presenta un rogo ao Goberno local no que consideran que esa actuación foi "ilegal". | O 'banco panorámico' chantado riba dun petróglifo no Monte de San Lois (Noia) motiva a presentación dun rogo por parte do BNG noiés ao Goberno local no que pregunta se para esa actuación contaron con autorización de Dirección Xeral de Patrimonio. O Castro do San Lois, indican as nacionalistas, atopase dentro do Catalogo de conxuntos obxecto de protección integral como xacemento arqueolóxico. Nas zonas catalogadas como Patrimonio Arqueolóxico (como é neste caso) "todas as operacións que impliquen variacións das condicións existentes na área delimitada (...) quedan supeditadas aos resultados da investigación previa dos posibles restos, que será preceptiva". Polo tanto ao atoparse os bancos no perímetro do Castro faise imprescindible un informe arqueolóxico e o permiso de Patrimonio para proceder a calquera tipo de obra. As nacionalistas agardan que a administración faga o necesario para "reverter esta situación ilegal que pon en perigo a conservación dun ben que goza da categoría de Ben de Interese Cultural (BIC) e polo tanto da máxima cobertura legal prevista". Tamén indican que os terreos nos que se atopan os dous bancos que foron postos polo Concello no Monte San Lois pertencen á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Boa, "á cal non se lle pediu permiso para a colocación dos mesmos". |
NOS_22224 | O chamamento foi lanzado por Lugo Novo, Marea de Noia e Betanzos Novo e vai dirixido ás marés como "expresión politica da cidadanía activa", din. | O lugar aínda está por concretar mais será o 13 de agosto en Compostela, segundo sinalan nun comunicado de imprensa asinado por Lugo Novo, Marea de Noia e Betanzos Novo. As tres candidaturas municipalistas convocan unha xornada de traballo cuxo obxectivo sexa artellar un "proceso de unidade popular" cara ás eleccións ás Cortes españolas o vindeiro mes de decembro. Do encontro, sinalan, sairá un grupo de persoas que definan os trazos xerais "como paso previo para o artellamento, no mes de setembro, da rede para o levar a cabo". Segundo as tres formacións os resultados colleitados nas municipais por estas candidaturas son "unha responsabilidade" e "un reto" para dar un pulo aos proxectos locais e adaptalos "a un proceso dunha dimensión distinta" coas eleccións estatais no albo. Segundo Lugo Novo, Marea de Noia e Betanzos Novo "as marés" están "lexitimadas popularmente" para ser "motor dese proceso" de "unidade popular" Segundo Lugo Novo, Marea de Noia e Betanzos Novo "as marés" están "lexitimadas popularmente" para ser "motor dese proceso" de "unidade popular" destinado a "acumular forzas "para a ruptura democrática cos eixos dunha democracia radical, o dereito a decidilo todo e a construción dun novo modelo económico e social que garanta a dignidade das persoas". Un proceso, sinalan, "no que o protagonismo ten que recaer na cidadanía, democrático e participativo, sen victorias nen imposicións de parte" que "xere un espazo común, deixando a un lado as diferenzas e buscando o que nos une, un espazo que sexa expresión dunha confluencia real para artellar ferramentas que vaian máis alá da contenda electoral". Aliás, subliñan, o proceso ha de ter Galiza "como suxeito político". |
NOS_2557 | Ana Gato e Jorge Fernández son dous emprendedores que lanzaron o aceite galego Embruxo. Trátase dunha pequena empresa que aposta polo valor local e de proximidade, polo ecoloxismo e pola educación alimenticia da súa clientela. O alto valor nutricional de Embruxo fai del o único aceite do mercado coa certificado Aesan, que permite que poida ser distribuído en farmacias. Tanto Gato como Fernández definen o seu aceite como "apócema máxica que encadea". | -Como naceu a idea de crear unha marca de aceite galego? Eu son unha nutricionista apaixonada da dieta mediterránea. A base principal dese tipo de dieta é un bo aceite, porque ten moitísimas propiedades positivas. Chegou un momento no que me sorprendín ao ver que non había aceites que cumprisen os requisitos necesarios para posuír os nutrientes precisos. Como son unha emprendedora por natureza, decidín que ía deseñar o aceite que eu consumiría como nutricionista. Embruxo é un aceite de extracción en frío que non se filtra, para evitar a perda de nutrientes. Iso é moi difícil de atopar no mercado. Cada botella leva oito quilos de olivas, que se recollen en verde, para conferirlle ao produto vitamina E e polifenoles. Ademais, embotellámolo baixo demanda para evitar que se oxide e perda propiedades, cousa que non fan outras empresas. Nós gardámolo nunhas tubas e imos decantándoo cada dous ou tres días para que permaneza inalterábel. -Por que o nome de Embruxo? Son galega nada en Pontevedra e quería producir un aceite que fose galego a todos os niveis. Un produto feito na nosa terra, que axudase a xerar valor e riqueza, postos de traballo… Ao final, unha cousa levoume a outra. Tiña claro que debía pór un nome que fose en galego con oliva galega. Apostamos polos agricultores da Galiza e facemos contratos con eles para comprarlles o produto. Empregamos olivas da Estrada, de Vilaverde (Melón), na comunidade de montes do Lérez (Pontevedra)… Agora imos plantar na Coruña. -É difícil para unha pequena empresa introducirse no mercado de produción e venda de aceite? Neste mercado é complicado introducirse porque hai moitos aceites, pero como sempre tivemos clara a nosa visión e como nos queríamos diferenciar doutras marcas, non houbo tanto problema. Unha vez lle explicas á xente as propiedades do noso aceite, ves que demandan este tipo de produtos. Pode que sexa unha pioneira, pero hai moitos outros nutricionistas que cada vez máis apostan por ensinar e divulgar que non todos os aceites son iguais. Un aceite cun bo valor nutricional axuda o corpo en moitos ámbitos. Por exemplo, a graxa vexetal do aceite elimina as graxas nocivas doutro tipo de alimentos. -Que acollida adoitan ter este tipo de aceites ecolóxicos e saudábeis entre as persoas consumidoras? Moi boa, porque antes de confeccionar o produto final, nós testámolo no mercado para evitar que se acabase convertendo nun aceite que só nos gustase a nós e non ao resto de consumidores. Démolo a probar, e tivemos a sorte de que é un aceite que gusta moito porque conta cun sabor moi afroitado, moi doce. De feito, nós aínda imos iniciar a nova campaña a finais de setembro ou principios de outubro, e desta tempada na que estamos agora xa case non nos queda aceite. Ademais, a xente quere apoiar cada vez máis a produción local para xerar riqueza dentro da Galiza. A sociedade entende que apostar polo de aquí acaba por repercutir positivamente a todos os niveis neles mesmos. -O seu aceite ten o certificado Aesan, o que lles permite distribuílo en farmacias. O noso aceite pódese empregar con fins terapéuticos. O feito de que empreguemos olivas moi verdes fai que os valores nutricionais positivos estean moi por enriba do mínimo recomendado. Iso fai que aínda que o seu rendemento sexa menor que o doutras marcas, as características saudábeis fan de Embruxo un aceite moi bo para a prevención de certas afeccións relacionadas coa mala alimentación e cos malos hábitos da sociedade. |
PRAZA_11618 | Esta infraestrutura conseguiu incrementar nun 27% a cantidade de diñeiro que os galegos e galegas xogaron entre 2014 e 2017, superando os 1.400 millóns de euros só nos xogos de azar tradicionais (incluída a lotaría) | O xogo estase a converter nun problema crecente, sobre todo entre a mocidade. Ás tradicionais modalidades (lotaría, bingo, máquinas comecartos...) uníronse novas formas de xogo, coma as apostas, presentes tanto nos salóns e tendas abertos nos últimos anos nos barrios das cidades coma nas máquinas esparexidas por bares e cafeterías de todo o país. E tamén en Internet, co incremento exponencial das contías económicas gastadas no xogo online.Esta infraestrutura conseguiu incrementar nun 27% a cantidade de diñeiro que os galegos e galegas xogaron entre 2014 e 2017, superando os 1.400 millóns de euros só nos xogos de azar tradicionais (incluída a lotaría)A Dirección Xeral de Ordenación do Xogo publica periodicamente información estatística sobre este mercado, con datos sobre establecementos, máquinas, cantidades apostadas e diñeiro perdido polos xogadores. Sabemos, por exemplo, que o gasto dos galegos nos xogos de azar presenciais pasou dos 1.100 millóns de 2014 aos 1.400 de 2017, último ano con estatísticas, un incremento do 27% en tres anos.E que, aínda que as apostas presenciais están a experimentar un aumento moi importante, as lotarías (500 millóns de euros gastados polos galegos no ano 2017) e as máquinas comecartos tradicionais (case 600 millóns) seguen a representar a parte máis importante dese desembolso. Iso si, os xogos online representan cada vez unha parte máis grande do gasto en xogo e, aínda que non hai cifras segmentadas para Galicia, no 2018 o gasto superou os 17.000 millóns de euros. O 5% desa cantidade que pode representar a parte galega suporía un depósito de 868 millóns de euros.As cifrasEn Galicia están en funcionamento 3.695 terminais de apostas e a maior parte (3.194) están instaladas en bares e cafetaríasEn Galicia funcionan nestes momentos ao redor de 160 tendas e salóns de apostas. O pasado mes de maio a Xunta decretou o freo á apertura de novos establecementos deste tipo, quedando o seu número limitado, polo de agora, ás actualmente existentes (138 nese momento) ou en tramitación (outras 21).Porén, dende organizacións como a Asociación Galega de Xogadores de Azar (AGAJE) hai tempo que veñen subliñando que a presenza de máquinas de apostas en locais de hostalería é mesmo máis preocupante que a existencia destes salóns, debido ao seu maior número e á falta de controis. En Galicia están en funcionamento 3.695 terminais de apostas e a maior parte (3.194) están instaladas en bares e cafetarías.Como referencia, o número de máquinas de apostas espalladas por bares e cafetarías noutras comunidades é moi inferior. Por exemplo, Euskadi (con 2,2 millóns de habitantes) suma 1.306. E a Comunidade Valenciana (con 5 millóns de habitantes) ten 3.677.Hai máis de oito mil máquinas comecartos só en locais de hostalaría, ás que hai que sumar outras mil en salóns de xogoO número de máquinas B (as tradicionalmente coñecidas como comecartos ou tragaperras) é moi superior. En Galicia hai máis de oito mil (8.094) só en locais de hostalaría, ás que hai que sumar outras mil (1091) en salóns de xogo e unhas 63 en bingos. A cifra é a sétima entre as 17 comunidades autónomas, só por detrás de Cataluña, Andalucía, Comunidade Valenciana, Madrid, Castela-León e Euskadi. Estes dous últimos territorios contan con menos poboación que Galicia, pero o dato galego supón máis da metade do madrileño, que máis que duplica a poboación de Galicia. |
NOS_36047 | Organizacións políticas convocan diversos actos para esta cuarta feira en lembranza do militante nacionalista morto a tiros o 12 de agosto de 1975 en Ferrol. | Cando se fan 45 anos do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia, organizacións políticas convocan diversos actos de homenaxe e lembranza ao militante asasinado pola policía franquista o 12 de agosto de 1975 en Ferrol. A Unión do Povo Galego (UPG), da que facía parte Moncho Reboiras, é quen ten una axenda de actos máis extensa. A organización recoñece que no contexto sanitario no que nos atopamos por mor da Covid-19 e co obxectivo de priorizar a seguridade de todas as persoas que asistan aos actos de homenaxe, estes terán modificacións a respecto do formato no que estaban a desenvolverse nos últimos anos. Ás 17 horas desta cuarta feira, 12 de agosto, será a estrea, con coloquio posterior, do documental "Reboiras. Acción e Corazón", no Cinema Duplex. Ferrol. O filme documental dirixido por Alberte Mera e producida pola Fundación Terra e Tempo chega ás salas após a súa preestrea en Imo para a veciñanza de Dodro, concello natal de Moncho Reboiras. Ás 19:30 h. Intervencións políticas no Cantón de Molíns terá lugar o acto político, que contará coa intervención de Iria Carreira (secretariado da UMG e deputada no Parlamento Galego), Ramón Fernández "Mon" (deputado no Parlamento Galego) e Néstor Rego (secretario xeral da UPG e deputado no Congreso). Haberá unha actuación musical a cargo de Óscar Fojo Tamén o Movemento Galego ao Socialismo homenaxeará este 12 de agosto a Moncho Reboiras. A cita é ás 12 horas no cemiterio de San Xoán de Laíño, en Dodro, con intervencións políticas e música para lembrar quen sinalan como "militante referente para as que loitamos pola independencia e o socialismo". Nas intervencións tomarán a palabra Xoan Bautista Mariño (concelleiro do BNG en Dodro), Pilar Casás (Mesa Nacional de Isca!), Noa Presas (deputada do BNG no Parlamento Galego) e .Anxo Noceda (Executiva Confederal da CIG). De por parte, Agora Galiza convoca ás 19 horas no cemiterio de Imo un acto de homenaxe a Reboiras baixo o lema "Sempre na nossa mochila revoluncionária". Outras organizacións como FPG, Xeira e Causa Galiza tamén desenvolveron nestes anos diversos actos de lembranza e homenaxe ao militante asasinado pola policía franquista na Rúa da Terra, en Ferrol. |
NOS_464 | Soidade, vulnerabilidade, culpa, frustración, desafecto persoal. Son algúns dos síntomas dunha doenza, a síndrome de Rokitansky, que afecta máis no plano psicolóxico que no físico. | A síndrome de Rokitansky é unha enfermidade 'rara' conxénita do aparello reprodutor feminino que padece unha de cada 5.000 mulleres, e que esta sexta feira se conmemora a nivel internacional. En función da afección de cada persoa, pode ser de "tipo 1" ou "tipo 2". No primeiro caso, caracterízase pola malformación ou ausencia completa do útero, así como a falta de dous terzos da cavidade vaxinal, algo inapreciábel externamente. En ocasións pode derivar no segundo tipo, que engade a estes síntomas problemas renais, vertebrais ou cardíacos. A diagnose acostuma darse na adolescencia debido á ausencia de menstruación. Ana Souto, tradutora e intérprete galega que reside actualmente en París, comparte con Nós Diario as súas vivencias como 'muller Rokitansky'. Con 15 anos foi diagnosticada desta doenza: "Caeume enriba como unha lousa. Era unha rapaza á que, de súpeto, lle negaron dúas cuestións vitais: 'non podes ter fillos' e 'non podes ter sexo', mais isto non é certo", expón. "O sexo non se limita á penetración, iso é algo imposto pola cultura heteropatriarcal. Preocupábame máis dar pracer a un home que o meu propio pracer, até que aprendín a quererme a min mesma", expresa, sobre os "tabús" da sexualidade. Souto leva anos traballando a prol da normalización desta enfermidade a través de diferentes proxectos de divulgación cos que colabora de forma activa. Porén, a aceptación non foi un proceso doado. "Cres que che tocou unha lotaría mala, que non hai ninguén coma ti. E, como é un tema íntimo, custa máis compartilo, mesmo coa túa familia", asegura. Falta de tacto Cando recibiu a nova, no Hospital Clínico de Compostela, sentiu que para o xinecólogo era "esa síndrome que unha vez viu nun libro cando era estudante". "Para moitos somos o primeiro caso, e esquecen que teñen diante unha adolescente vulnerábel que probabelmente non quererá volver a unha consulta médica. A atención psicolóxica debería acompañar obrigatoriamente a diagnose", afirma, e lamenta que ninguén lle explicou as solucións posíbeis: o uso de dilatadores vaxinais, "que só funcionan nalgúns casos", e a cirurxía reconstrutiva. Con 19 anos decidiu dar o paso e operarse, após contactar con mulleres que xa o fixeran con éxito. Porén, o seu xinecólogo desautorizouna: "Tratoume moi mal, sen ningún tacto. Díxome que non podía crer o que lía en foros da internet e que tiña que apañar cos dilatadores", censura. Con todo, conseguiu operarse participando dun congreso médico no que se lle aplicou unha técnica experimental. O resultado foi exitoso. A espiral do silencio Algunhas mulleres, como Ana, tentan rachar os tabús pondo rostro á enfermidade. Outras, en cambio, prefiren vivilo en soidade. "Do que non se fala non existe. É unha frase que lle escoitei unha vez á deputada Olalla Rodil e que me parece moi axeitada porque, como apenas hai información, as mulleres Rokitansky non existimos, somos invisíbeis", relata, e sentencia: "Non somos menos mulleres por non ter un corpo normativo". |
NOS_19064 | García Costas anunciou que Barreras comezará construír antes de finais de abril o flotel de Pemex, para alén de anunciar que negocian coa multinacional mexicana a posibilidade de facer dous barcos máis. Feijóo cifrou en 3.000 empregos os que darían os 2 floteis. Os sindicatos reducírono a unha cuarta parte | O presidente de Barreras, García Costas, sinalou que antes de que comece maio o flotel de Pemex estará empezando a ser construído neste estaleiro de Vigo. E mesmo afirmou que están a negociar coa paraestatal mexicana dous barcos máis. Barreras aínda nin reuniu os avais, recoñeceu Costas, mais iso non vai ser impedimento, pois Pemex deulles prórroga. "A contratación por parte de Pemex dun buque flotel en Ferrol e doutro en Vigo suporá un investimento de 290 millóns de euros e garantirá un emprego de máis de dous anos a un total de 3.000 persoas". Así se manifestaba no comunicado da Xunta da Galiza sobre o acordo asinado coa petroleira mexicana, e anunciado por Núñez Feijóo en plena precampaña. Dous barcos, salvación para o naval galego? Mais aos sindicatos, esas contas nin lles daban nin lles dan, agora que a construción de dous floteis é apresentada polo Goberno galego virtualmente como a solución para o naval de Galiza. O presidente do comité de Navantia, Ignacio Naveiras, indicaba que a Xunta sinalou que cada un dos navíos suporá unha carga de traballo de millón e medio de horas. E un operario, lembra, realiza unha media de 1.700 horas anuais. E 1,5 millóns de horas en dous anos e medio (prazo de construción estipulado para o flotel) implica un número moito menor de empregados, que cifra por volta dos 400. César Rodríguez, da CIG, tamén botaba daquela man da calculadora e sinalaba que se a construción en Barreras do barco encargado por Pemex vai supor millón e medio de horas de traballo "só con saber as horas que lle mete aquí un operario, danos que no momento álxido desa construción haberá unhas 450 persoas a traballar nel". Unha cifra moi lonxe das 3.000 das que falaba Xunta e patronal |
NOS_37261 | A Asociación Galega polos Dereitos das Axencias de Viaxe (Agadav) lembra que o sector traballa con moitas limitacións desde marzo de 2020 pola pandemia e que as novas medidas do Goberno galego implica "o cesamento de toda actividade" polo menos até febreiro. | As axencias de viaxes queren ser tratadas en igualdade de condicións que outros sectores como pode ser a hostalaría. O sector considérase un dos grandes prexudicados pola pandemia da Covid-19 e entende que a Xunta non está a atender as súas demandas. Por iso, esta quinta feira a Asociación Galega polos Dereitos das Axencias de Viaxe (Agadav) volveu exixir unha liña de axudas para poder subsistir. O colectivo criticou que o Executivo galego anunciara esta semana novas restricións que supoñen o feche de todos os negocios polo menos até febreiro sen contemplar a posta en marcha dunhas subvencións para paliar as perdas que levan a sufrir desde marzo de 2020. A través dun comunicado, a presidenta de Agadav, Mar Moreira, destacou que as novas prohibicións fan que teñan que parar a actividade, algo que vén a sumarse aos problemas que teñen para vender desde principios do ano pasado debido a que apenas se pode viaxar. Malia esa problemática engadida "o sector non está contemplado" dentro das axudas anunciadas por Alberto Núñez Feixoo. "Levamos reclamando axudas directas ao noso sector desde o inicio desta pandemia, obtendo cero respostas desde o goberno da Xunta, non nos contemplan como sector afectado dentro destas novas limitacións, sendo a mobilidade o noso produto", lamentaron. De feito, denunciaron que un anuncio do vicepresidente Alfonso Rueda que se presentaba como un salvavidas para o sector turístico só reserva "400.000 euros a dividir entre as máis de 600 axencias". Ademais, terían que dedicarse a "facer fronte aos seguros obrigatorios que condicionan a vixencia das licenzas" de actividade. Aliás, segundo Moreira, hoxe mesmo non teñen noticia de como poden solicitar ese apoio económico malia que as facturas xa chegaron. Por iso, senten que están "totalmente esquecidas e desamparadas pola Xunta". |
PRAZA_19117 | O Goberno local advírtelle á empresa que debe cumprir con todas as cláusulas sociais do prego de condicións, que inclúe o mantemento dos empregos para as 78 traballadoras e traballadores existentes. "O contrario pode desembocar na extinción do contrato", di Silvia Cameán. | O pasado mes de outubro a empresa Itma gañou o concurso convocado polo Concello da Coruña para renovar a concesión do servizo de limpeza dos colexios de educación infantil e primaria da cidade. A convocatoria incorporaba unha serie de cláusulas sociais para "fomentar a estabilidade no emprego e o respecto ao medio ambiente na súa execución". Os pregos técnicos incluían un anexo cos datos dos 78 traballadores e traballadoras que a empresa que se fixese cargo do servizo estaba obrigada a subrogar, mantendo ademais as súas condicións laborais e salariais. Porén, unha vez que a nova compañía se fixo cargo do servizo, este luns 16 de xaneiro, comunicou a algunha das limpadoras que non subrogaría os seus contratos, en concreto a 13 traballadoras que estaban cuprindo baixas por enfermidade. A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, sinala que están a investigar o caso e subliña que "no caso de que corroboremos que a firma non está a adecuarse á subrogación nos termos que marca a lexislación e o convenio do sector, recordarémoslle, de inmediato, a obriga que ten de cumprir cos requirimentos municipais e iniciaremos, se cabe, un proceso de imposición de penalidades". Este proceso podería derivar tanto en sanción, como desembocar, en último caso, "na extinción do contrato en vigor". Cameán lembra que entre os requisitos que figuraban nos pregos do concurso estaba "o compromiso de que o persoal que vén desempeñando a prestación na actualidade, e teña dereito a subrogación, sexa contratado por un período non inferior ao prazo máximo de duración do contrato, incluídas as súas prórrogas". Fronte ás críticas de PP e UGT, o edil do PSdeG-PSOE, José Manuel García, considerou "impresentable" a actitude da empresa e amosou o seu apoio ao Goberno local para acadar o mantemento dos postos de traballo. Este mesmo xoves a CIG denunciou que a empresa Itma está a incumprir reiteradamente as condicións do convenio colectivo no servizo de limpeza do Hospital do Salnés. Estes incumprimentos inclúen atrasos no pagamento de salarios e pagas extraordinarias e "auténticos fraudes de lei nalgunhas contratacións", segundo o sindicato. De igual xeito, hai uns meses CC.OO. e UGT denunciaron a "explotación" que sufrían os e as traballadoras de Itma encargadas de realizar a limpeza do Ikea da Coruña. |
NOS_51602 | O novo ministro de Consumo, Alberto Garzón, ten entre os retos para o seu mandato endurecer a lexislación do xogo e frear a proliferación das casas de apostas, unhas medidas que de momento non preocupan ás galegas Luckia e Comar. | A composición do novo Executivo de coalición do Goberno español xerou moita expectación, non tanto polo que se fixo agardar, senón máis ben polo reparto de carteiras ministeriais. Os focos estaban postos nas deputadas e deputados de Unidas Podemos. Finalmente desveláronse as incógnitas e Traballo recaeu na galega Iolanda Díaz, que terá por diante a complicada misión de velar polo mantemento do emprego nunha Galiza inmersa nunha profunda crise industrial. Pero non é o único cargo da coalición morada do que depende o futuro de moitas familias no país. Alberto Garzón, o coordinador xeral de Izquierda Unida, levará a carteira de Consumo, que terán entre as súas principais tarefas regular o sector dos xogos de azar para previr e frear a ludomanía. Comar e Luckia (a antiga Egasa) son dous xigantes do sector que, de momento, non parecen estar preocupados polos cambios que se aveciñan. O presidente de Luckia, José González recoñece, en declaracións a Nós Diario, que non existe "ningún motivo de alarma". Respecto a Garzón, afirma que ten del "a mellor impresión" e confía "no seu bo facer". A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube. |
NOS_38943 | Cen banqueiros gañan no Estado español máis dun millón de euros anuais. É o segundo estado onde máis cobran de media os 'super-banqueiros': 2,16 millóns de euros. Por riba das retribucións dos seus homólogos de Alemaña ou Reino Unido. | No Estado español pódese vivir moi, moi ben. Só hai que ser banqueiro. Segundo vén de facer público a Autoridade Bancaria Europea (EBA) no seu informe anual, no Estado español hai cen banqueiros que gañan por riba do millón de euros anuais. Iso supón o quinto posto en Europa. Onde máis é é en Reino Unido, con 271 destes banqueiros millonarios. En Alemaña hai 212, en Francia 177 e Italia 109. Porén, os banqueiros que ,meten no peto máis dun millón de euros anuais no Estado españolson menos que no ano pasado, cando esa cifra era de 125. A vivir Iso si, o Estado español é o segundo onde máis cobran os banqueiros de media: 2,16 millóns de euros anuais, só sobrepasado por Chipre (2,2 millóns). Eses ingresos medios en Reino Unido son de 1,95 millóns e en Alemaña de 1,55. Os directivos de entidades financeiras españolas que cobran máis dun millón de euros repártanse do seguinte xeito segundo o área de negocio á que pertence: 37 na banca de investimento, 16 na minorista e 47 noutras áreas. No que atinxe ao tipo de retribución, a fixa total que perceberon estes executivos en 2012 ascendeu a 91,3 millóns de euros, a parte variable supuxo 125,5 millóns e a retribución diferencia foi de 66 millóns. |
NOS_39559 | Máis de 330 dos 594 contratos de obras, suministros e servizos concedéronse a dedo. O Tribunal de Contas xa advertiu ao goberno galego | O 56% dos contratos da administración galega de servizos, obras e suministros contratáronse a dedo, segundo vén de desvelar El País. Dos 593 contratos adxudicados en 2012, 293 fórono en negociado sen publicidade e outros 70 non foron anunciados no Diario Oficial de Galicia (DOG) malia saír á licitación por procedemento aberto. A concesión a dedo dos contratos foi norma en todos os departamentos e consellerías da Xunta, malia que estas modalidades só se reservan por lei a casos moi puntuais e que deben de estar xustificados. As adxudicacións a dedo supuxeron por volta de 74 millóns de euros. Esta práctica tamén se está a levar a cabo neste inicio de 2013. Un exemplo foi, a mediados de xaneiro, a adxudicación a dedo, e por importe de medio millón de euros, da actualización dunha web xa existente. A beneficiaria do contrato foi unha empresa da que é apoderada unha familiar de Romay Becaría, ex conselleiro e ex ministro do Partido Popular, e colaboradora de Feijóo na etapa deste en Correos. Advertencia O propio Tribunal de Contas tería advertido ao goberno do seu exceso en botar man destas modalidades oscurantistas. Aliás, o feito de recorrer a negociado sen publicidade implica que non hai competencia de empresas, polo que no se fan ofertas á baixa sobre o prezo inicial da licitación. É dicer, que nada de austeridade. Este tipo de adxudicacións non son exclusivas da Xunta. Deputacións como a de Ourense ou a de Pontevedra, ambas as dúas en mans do PP, teñen sido sinaladas por partidos da oposición, sindicatos e colectivos cidadáns como administracións abonadas a adxudicar a dedo. |
NOS_56478 | Aos seus membros coñeciámolos de antes pola súa poesía, pero velaí os están, decantando versos en forma de composicións musicais, coa súa proposta de pop nostálxico e feituras británicas. Veñen de presentar o seu primeiro LP, 'Fainos saír', e son Atrás Tigre: Olalla Cociña, Antón Blanco, Xiana Arias e Pedro Solla, o único non poeta (polo momento), con quen falamos. | - Onte presentastes o voso primeiro disco, 'Fainos saír', nas Festas de San Pedro, unha auténtica plataforma de despegue para os grupos emerxentes galegos. Que significa para vós este primeiro traballo? - Este primeiro disco é como unha especie de soño feito realidade. Nós sempre dicimos o mesmo: Atrás Tigre está feito de persoas que non tiveran unha banda antes e que non publicaran un disco nunca. E o feito de compartir co resto da xente o que estivemos facendo, o que nos estivemos divertindo durante o último ano, é xenial. E, sobre todo, poder compartilo en directo e ir sumando temas que ensinarlle á xente... Atrás Tigre é a confluencia de todas estas cousas, e de relacións de amizade xa moi duradeiras - De onde vén Atrás Tigre? A tres de catro coñeciámolas como poetas: Xiana Arias, Olalla Cociña e Antón Blanco... - Tamén somos tres xornalistas e un filólogo, esta é a aliñación titular. E elas tres ademais teñen libros de poesía publicados, eu veño do audiovisual... Credenciais musicais realmente o único que ten é Antón, que xa tocou noutros grupos. Agora mesmo Atrás Tigre é a confluencia de todas estas cousas, e de relacións de amizade xa moi duradeiras. Xa nos unía unha relación persoal entre nós desde hai bastantes anos e froito diso, e de compartir moitos concertos e de vivir moita música en común, isto derivou en que formamos unha banda. Esa é un pouco a historia. Parece moi idílica pero é a verdade. - O da poesía nótase nas letras, pero asinádelo todo conxuntamente, tanto as letras como a composición. Facédelo todo xuntos? Non hai ninguén que se dedique máis á letra ou outros á música? - Sempre insistimos moito en que é un proxecto colectivo. E parece unha posición teórica pero en realidade non o é, é a realidade de como facemos as cousas. Non ten maior importancia quen fai isto ou o outro, porque realmente todas escribimos e todas compoñemos. Non facemos un reparto do traballo, temos que estar todas moi conformes coas propostas, tanto textuais como na partitura, e mentres non nos sentimos todas representadas, á parte de que por suposto nos ensaios filtramos moito. Alguén se cadra nun momento dado pode empezar a escribir un texto ou cunha idea a partir da cal desenvolver unha estrutura musical. E a partir de aí imos sumando todas. Un pouco esta é a mecánica de traballo. Realmente prometo que se ao final fas as contas, o número de letras feitas por cadaquén están repartidas equitativamente. De bandas galegas, evidentemente para nós tanto Ataque Escampe como os Homens foron precursoras do tipo de proposta que nós facemos agora. - Tedes un punto nostálxico moi potente, nalgúns temas de forma explícita, con letras escuras e introspectivas. É consecuencia de comezar na música xa medradas? - Non sei, pode ser. Aínda hai pouco falabamos, e cremos que, en primeiro lugar, a música que facemos é un froito, unha consecuencia directa de volcar a nosa bagaxe persoal. É como unha suma de memorias musicais. E, en segundo lugar, é unha suma de memorias musicais que estaba intacta, é dicir, que non se volcou até agora. Por iso nos leva a lugares diferentes e o resultado é máis ben heteroxéneo. Iso dalgunha maneira o poñemos ao noso favor, porque nos permite ter moito campo de traballo e, sobre todo, de exploración. Aí creo que nos sentimos moi libres porque precisamente aínda nos queda moito por explorar. O que non vivimos aínda en ningún momento, e esperemos que siga moito tempo, é o sentimento de que algo se esgotou. Estamos aínda explotando algo que acabamos de descubrir. - Como definiriades a vosa proposta a nivel musical? - Sempre preferimos que o fagan outros. De feito, á hora de poñer etiquetas que son necesarias, preferimos que nolas poñan. Nós sempre dicimos que somos unha proposta pop. Sempre entendemos o pop nun sentido moi amplo e heteroxéneo, por iso non falamos necesariamente de conceptos alegres ou vitalistas senón que o levamos a unha paleta de cores moi ampla e por iso cremos que todos os estados de ánimo caben dentro do pop e por iso nos consideramos un grupo pop. Logo, máis alá diso, por acoutar un pouco máis, nós sempre dicimos que somos 'jangle pop', porque é algo que sempre xerou consenso á hora de definir a nosa música entre a xente da que nos fiamos. E tamén esas mesmas persoas levábannos moi claramente á tradición do C86, un pouco ao rollo que levaban todas aquelas bandas británicas. Nese lugar estamos cómodas, aínda que agora neste disco a xente identifícanos máis con algo máis relacionado co 'shoegaze' ou con posturas un pouco máis 'dark' pero a nós válenos como estabamos. [Na música galega] tanto en cantidade como en calidade é un momento realmente feliz - Bandas de referenza? - Poderiamos facer un sumatorio inacabable, pero interésanos moito bandas que escoitabamos cando eramos novos. Por exemplo, eu podería dicirche os Smiths, igual Olalla podería dicirche The Cure, entre todos podemos falar dos Pixies. De bandas galegas, evidentemente para nós tanto Ataque Escampe como os Homens foron precursoras do tipo de proposta que nós facemos agora. E agora tamén nos sentimos moi identificadas formando parte dunha especie de colectividade, pensando en Chicharrón, en Esposa... bandas que están compartindo este momento de efervescencia con nós. - Falando de efervescencias, en Galiza non paran de xurdir novas bandas, desde o indie até o trad. Moita xente da música comenta que estamos na mellor época da música popular galega, a máis prolífica, a máis variada. Que opinas? - Eu opino que é certo. É a época que nos tocou vivir e por iso temos máis coñecemento de causa, pero creo que tanto en cantidade como en calidade é un momento realmente feliz. Si que é verdade ademais que dá a sensación de que hai unha heteroxeneidade brutal, que cadaquén fai o que realmente necesita facer, non hai criterios de "bueno, imos facer isto porque agora mesmo ten máis acollida", ou criterios de venda. A xente está a facer o que lles sae de dentro, e iso é moi san e permite que todas aprendamos dos demais. A nosa prioridade para nós é seguir aprendendo, porque estamos na fase incipiente disto e formar parte deste momento e estar en contacto e ter mesmo relación persoal con moitas das persoas que forman parte diso, pois para nós non é máis que un motor de ilusión e de seguir medrando. - Onde vos podemos ver este verán? - Temos agora mesmo confirmado no Festival dos Premios Fouciño en Baio o 8 de xullo e despois o 12 de agosto no Noroeste da Coruña. A partir de setembro comezaremos a xira por salas para presentar o LP. |
NOS_43168 | O único debate entre os aspirantes a lehendakari serve para que EH Bildu amose as súas cartas a favor doutras olíticas e afirme que ten constancia de que se fragua un pacto entre PNV e PSE. Iñigo Urkullu opta pola indefenición sobre a independencia ou a fiscalidade. O candidato do PP, Antonio Basagoiti, golpea ao ar. | O primero e único debate da campaña entre os principais candidatos a lehendakari, que foi emitido polo ente público de comunicación (EiTB) na noite da cuarta e que se desenvolveu nun mismo ton acougado que marcou a campaña, agás en momentos moi puntuais. Non deixou grandes titulares, así que a noticia foi máis ben o continuismo apontado desde PNV e PSOE, que no caso de Urkullu consistiu máis ben nunha indinición. A mesa redonda reuniu finalmente aos catro grandes aspirantes (Iñigo Urkullu, do PNV; Laura Mintegi, de EH Bildu; Patxi López, do PSE; e Antonio Basagoiti, dol PP), para alén de José Navas (Ezker Batua) e Gorka Maneiro (UPyD). Estes dous últimos incorporáronse ao deseño previo por decisión da Xunta Electoral Central. MIntegi: "a única saida á crise é ter as maiores cotas de soberanía, e a independencia si é posíbel. España é un barco que afunde" Entre os candidatos cruzáronse máis preguntas que respostas, e a maior parte quedaron no ar. Especialmente ambiguo estivo Urkullu, que non saiu do seu mutismo nin no terreo político (limitouse a prantexar máis autogoberno e seguiu esquivando posicionarse sobre a independencia) nin tampouco no social (nin concretuo qué reforma fiscal faría nin explicou de ónde recortaría o gasto). Urkullu: "Estamos por unha bilateralidade con garantías" Axenda do cambio Isto fixo que a agenda do cambio quedara exclusivamente en manos de Laura Mintegi, e tamén de José Navas, cun discurso moi simellante ao de EH Bildu en todas as áreas. Mintegi sí foi clara en ambolos dous puntos. Sobre a crise recalcou que sí hai cartos mais fai falla repartilos. E sobre o marco expuxo que fai falla chegar a un acordo sobre o dereito a decidir que posibilite tamén a independencia. Neste último punto, instou ao resto de candidatos a ser realistas: «Levémonos como nos levemos, imos ter que arranxarnos, a xente que nos está a ver meréceo». López: "Nin independencia nin centralismo" Mais a candidata de EH Bildu chegou ao debate con outra noticia baixo o brazo, que dixo sustentada en datos que non se revelan polo de agora. Mintegi afirmou que PNV e PSE xa pecharon un pacto de goberno "con reparto de consellerías" e engadiu que "vostedes sábeno e eu seino". As dúas afirmacións que fixo ao respecto respecto foron respostadas por López con risos e acenos de incredulidade. Porén, resultou máis elocuente o silenzo de Urkullu, que optou por non desmentilo. Basagoiti: "España é a octava potencia do mundo" O candidato dol PSE centrouse en defender a súa xestión, polo que a súa intervención no debate tivo un carácter moi continuista. Basagoiti, pola súa banda, situouse a si propio en fóra de xogo desde o primeiro momento insistindo en se saltar o guión e procurar un enfrentamento artificial primeiro con EH Bildu. Non o conseguiu e ficou en ridículo en máis dun treito do debate. A crise económica A discusión comezou en torno á cuestión de máis urxencia, a crise, e a súa outra cara da moeda, a posibilidade de aumentar ingresos a través de novas políticas fiscais. Este último punto retratou moi ben o anceio de Urkullu en non posicionarse e así deixar aberta a opción de recoller votos en todos os caladoiros. Na súa primeira quenda, o do PNV nen sequer falou de fiscalidade, só de recortar o gasto; na segunda defendeu que o sistema vasco actual "é o máis progresivo dos existentes" e que xa "se loita contra a fraude"; e só na terceira quenda estaría aberto a unha reforma fiscal, mais sen concretar. Fronte a isto, tanto López como Mintegi reivindicaron máis progresividade, de maneira que os ricos paguen máis. Pero os seus discursos diferenciáronse no que atinxe ás políticas de gasto. Laura Mintegi apuntou que "digan o que digan vostedes aquí, logo fan o que lles impón Rajoy, son unha correa de transmisión". Lembrou a López que Lakua sí recortou en sanidade e educación ao cambiar as ratios e non cubrir baixas. "Non é verdade", queixouse o lehendakari en funcións. Pola súa banda, Urkullu afirmou que goberne quen goberne terá que recortar e volveu anticipar "dous anos difíciles", mais asegurou que Euskadi "remontará como nos anos 80". Aquí o popular Basagoiti, monotemático, terciou para asegurar que aquelo ocurriu "grazas á axuda do goberno de España". Mentres o resto de candidatos centrábanse nos cartos, a cabeza de lista de EH Bildu puxo a importancia nas persoas. Asegurou que "hai diñeiro mais está moi mal repartido". Esgrimiu datos de onte mesmo para afirmar que un 1,3% da cidadanía vasca posúe o 44% da riqueza, para concluir que "este é un país solvente, mais hai que repartir". E neste mesmo contexto, Laura Mintegi calificou de "suicidio político" operacións como a proposta por Urkullu para que Lakua adiante ao Estado español os cartos para as obras do TAV (Tren de Alta Velocidade). O marco político A cuestión política estaba noutro bloque, mais cando se puxo sobre a mesa Mintegi aclarou a Basagoiti que non son dúas cousas indisolúbeis: «Precisamente a única saida á crise é ter as maiores cotas de soberanía, e a independencia si é posíbel. España é un barco que afunde». Por contra, para o líder do PP "España é a octava potencia do mundo" e o que pon á cidadanía vasca ao borde do precipicio é a independencia. Se Mintegi marcou con claridade a posición de EH Bildu, que previamente incide na necesidade dun acordo plural sobre o dereito a decidir, a Urkullu non houbo xeito de sacarlle clarificacións ao respecto. Basagoiti primeiro e López despois enleáronse co candidato jelkide, ao que acusaron de acudir ao debate cun discurso de mero aumento de autogoberno destinado a ampliar o seu electorado. O líder do PSE considerou inaceptábel que a campaña vaia acabar xa e aínda non se saiba cál é a aposta exacta de Iñigo Urkullu. Tras refuxiarse en silenzos e encollerse de ombreiros, finalmente o jelkide falou mais sen aclarar nada. A súa posición volveu resumirse en frases como "bilateralidade con garantías" ou ir avanzando cara "Euskadi, nación en Europa", mais todo iso, insistiu dúas veces seguidas, "cos pés no chan". De feito, e nun momento da lea dialéctica Mintegi apuntou que non coincidirá co PNV en materia social, mais si pode facelo neste asunto. Urkullu saltou inmediatamente para afirmar que "tampouco niso" porque a ambos diferéncialles as maneiras de vanzar cara a soberanía. López garantiu que se oporá tanto á independencia como ao "centralismo" que exemplificou nos decretos dos Consellos de Ministros. "Coa que está a caer, vostedes pensan que estamos para referendos?" espetou Basagoiti a EH Bildu e EB. Mintegi emplazou ao popular ao domingo: "Se vostede é demócrata, escoite o que está a dicir o pobo". En resumo, un debate de luva branca que sorprendeu ao propio moderador mais do que EH Bildu sae reforzado no seu papel de alternativa principal de cambio. |
PRAZA_5946 | Virán, seguro, 20 xeracións a maiores a rirse deles, a facer bandeira dun país alegre e combativo que acredita na liberdade e na democracia sen domas nin sumisións. | A bo seguro que algún de vos a coñece. Anda por ai; recollida, documentada, citada, máis ou menos glosada e debidamente explicada, en compilacións e traballos varios. Como tantas cousas nun país que leva séculos a tentar ser deglutido pola voráxine colonial do veciño, perviviú, a duras penas, na cultura popular, no boca a boca, na oralidade da nosa língua. Existen pois múltiples variantes e modificacións, mais coinciden todas elas no esencial. Eu coñezo esta: Carlos V foi á guerra, dacabalo da cadela, Carlos V perdeu, e a cadela non volveu. Foi por alí, xusto a ren da Casa dos Caneiros, que pasou, abrindo a primavera de 1520 Carlos de Castela e o seu maxestuoso séquito, camiño de se converter no imperial Carlos V A min chegoume através da miña avoa, e a esta através da súa, xa que, aseguraba, era un falar de moi vello. Hai sitios onde circula como parte dunha arrolada para cativos, desprovista en parte da mensaxe da súa letra. Non era así na nosa casa, onde facía as veces de refrán, aplícandose a esas situacións onde un acepta participar con alguén máis poderoso en según que empresas confiado nun suceso seguro. Mais se veñen mal dadas, o mandamáis ha de ter como saír dignamente do lance, e o fidel e sumiso vasalo ten por seguro o peor dos destinos, deixado, a maiores, da man do seu amo. Cousas curiosas. A familia da miña avoa, Dio-la teña na Gloria, tocaba nun solar antigo enfiando a entrada da ponte vella de Portomarín, (referenciado Portomariño nos papelotes vellos da casa), ao pé do Camiño Real. E foi por alí, xusto a ren da Casa dos Caneiros, que pasou, abrindo a primavera de 1520 Carlos de Castela e o seu maxestuoso séquito, camiño de se converter no imperial Carlos V. A historiografía oficial fálanos da, por outra parte lóxica, fastuosidade coa que se recibiu en todo o país a visita do fillo da raíña tola. Sabemos asi que a súa pernota en Portomarín foi honrada cunha impoñente benvida e con toda clase de luxos e viandas. Pero sabemos tamén, grazas á pervivencia da nosa cultura máis popular, através do elo indestrutíbel do noso idioma, que os ridiculistas de hoxe, o lexitimismo froilanián, a Galiza luminosa, rabuda, retranqueira, que esta a sair á rúa contra o desproposito borbónico deste verán, choteándose deste sainete, ten nos nosos ancestros máis remotos, a súa semente máis fecunda e orgullosa. Cachondearse paveramente desta monarquia putrefacta e insalubre, como estamos a facer multitude de xente estes días forma parte da nosa mellor tradición histórica Quero dicir, nós, que nos temos polos hipsters máis modernos e orixinais do mundo, non fixemos se non facer valer a máxima do "todo volve" daquel de Trasalba, e eso, ao meu ver, lonxe de ser un demérito é, como diría o monarca cesante, "motivo de hondo orgullo y satisfacción". Cachondearse paveramente desta monarquia putrefacta e insalubre, como estamos a facer multitude de xente estes días, (como unha máis que necesaria e efectiva maneira de reivindicar para a nosa nación os dereitos que en xustiza lle corresponden) forma parte da nosa mellor tradición histórica, ainda que, presos do secuestro que da nosa propia historia fai a metrópole, descoñezamos o noso propio periplo como pobo. Total que nada: pasaron 459 anos, e 18 monarcas, dende que o daquela home máis poderoso do univeso mundo, Carlos V, abdicou, como fai hoxe o seu vinculeiro Juan Carlos I. Hoxe a entelequia imperialista española como potencia planetaria non existe nin como chiste. A pesar delo, o hoxe demisionario liderou durante décadas o holding colonial que nos somete como pobo, e non lle foi mal de todo. Polos Caneiros de Portomarín pasaron 20 xeracións nos 459 anos referidos entre ambas abdicacións, tempo máis que suficiente para que a propia casa dos Caneiros sexa non máis un recordo do pasado, sumerxida como foi polo delirio franquista que enterrou en auga o vello Portomarín, ao tempo, o asimilacionismo español desdibuxou Galiza de xeito incesante. A pesar delo, sen acabar de saber exactamente como, a memoria, talvez difuminada, parcial e inconexa, do noso pasado como pobo pervive e chega a nós. Virán, seguro, 20 xeracións a maiores a rirse deles, a facer bandeira dun país alegre e combativo que acredita na liberdade e na democracia sen domas nin sumisións Pasarán outros 5 séculos, coroarán ducia e media de mequetrefes, farán do noso país unha esterqueira inzada de encoros e aproveitamento forestal de rápido rendemento, deturparán a nosa historia até dicirnos que falamos bable... pero virán, seguro, 20 xeracións a maiores a rirse deles, a facer bandeira dun país alegre e combativo que acredita na liberdade e na democracia sen domas nin sumisións. Porque hai moito que aprendimos a non participar en máis guerras que na nosa e a non cargar con ninguén ao lombo. Porque non somos cadelas. |
NOS_37657 | Era de 1787 euros en 2011 e é de 1.187,3 agora. Un período no que a media española pasou de 1.841 a 1878, 37 euros máis ao mes, 444 anuais. | Estanmos na fase da recuperación. É a máxima repetida desde hai uns meses desde diversos altofalantes, o goberno galego entre os máis significados. A crise ficou atrás e estamos nunha nova fase de crecemento, insisten. Mais os datos dos seus propios organismos poñen unha sombra a tanto triunfalismo. Unha destas sombras, a que vén de pousar o INE co seu informe sobre salarios. Entre 2011 e 2016 o salario medio mensual bruto en Galiza non se moveu. Seis anos perdidos. Era de 17887 euros en 2011 e é de 1787,3 agora. Rexistro moi diferente deuse (como media) no Estado español. Pasou de 1841,8 euros a 1878,1 agora. Son 37 euros máis cada mes, o que resulta en 444 euros máis anuais. Unha fenda importante que vén a chover sobre mollado: os salarios galegos estaban tradicionalmente por baixo dos españois. Unha diferenza que se alarga. Galiza rexistra en 2016 o sexto salario medio máis baixo de todo o estado. Segundo os datos da Axencia Tributaria, no único grupo onde medran en 2016 as persoas asalariadas é nos que ingresan menos da metade do Salario Mínimo Interprofesional. Aumentan as persoas con traballo pero que continúan sendo pobres. Porén, resulta ilustrativo que o grupo de maiores ingresos non só foi o que máis incrementou o ingreso medio, senón que, despois de Madrid, Galiza é o segundo territorio do Estado onde este colectivo ten o salario medio máis elevado. Porén, un ano máis, é o colectivo de traballadores/as con ingresos brutos inferiores á metade do SMI -neste último ano inferiores a 1.806 euros anuais- o único colectivo no que se reduce o salario medio, concretamente 4% no último ano. Pasouse de 1.883 a 1.806 euros anuais, e ao mesmo tempo, é o colectivo que máis medra en número. |
PRAZA_4177 | Dorado falou este domingo en televisión por primeira vez dende a súa condena por narcotráfico. Entrevistado por Jordi Évole en La Sexta, detallou a súa amizade co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, negada por este último. | "Coñezo a honradez de Feijóo. Se podo votarei por el". Marcial Dorado falou este domingo en televisión por primeira vez dende a súa condena por narcotráfico, branqueo de capitais e suborno a dous axentes da Garda Civil, pola que leva 13 anos no cárcere. Fixo en Lo de Évole, o programa de Jordi Évole en La Sexta, nunha moi agardada entrevista cuxa emisión fora adiada hai dous meses, coincidindo co inicio da pandemia de coronavirus,Na entrevista, realizada por Jordi Évole no domicilio de Dorado durante un permiso penitenciario, incídese en varios momento nesa amizade, negada por Núñez FeijóoPero se Marcial Dorado é coñecido é, sobre todo, pola súa amizade co actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e por unhas fotos, publicadas por vez primeira en El País hai sete anos. Aquela reportaxe de Xosé Hermida e Elisa Lois, que comezaba dicindo que "Foron amigos durante uns anos, e un acabou á fronte do Goberno galego e o outro no cárcere por narcotráfico", relataba aquela amizade que nos anos 90 os levara a ir xuntos de vacacións (aos Picos de Europa, a Ibiza, a Cascais, onde varias parellas pasaron un fin de ano...) ou a compartir paseos pola Ría de Arousa, como se recolleu naquelas imaxes, nun momento no que Feijóo era xa secretario xeral do Sergas. "Non andabamos ocultos co señor Feijóo. Era público, todos o sabían, eu coñecinlle dúas ou tres mozas", relatou Dorado"Non andabamos ocultos co señor Feijóo. Era público, todos os sabían, eu coñecinlle dúas ou tres mozas", relatou Dorado, que confirma que foi Manuel Cruz que os presentou, un membro do PP de Ferrol e chofer de cargos da Xunta, considerado principal testaferro de Dorado.Na entrevista, realizada por Jordi Évole no domicilio de Dorado durante un permiso penitenciario, incídese en varios momento nesa amizade, negada por Núñez Feijóo. "Non hai nin unha amizade estreita nin ancha, nin unha amizade directa", afirmou o presidente da Xunta en 2013, preguntado por esas fotos. "Non está a falar co corazón, fala co cerebro de político", afirma Marcial Dorado ao escoitar esas declaracións. "Doe, doe. Se dormes na miña casa de Baiona, se a miña muller che fai o almorzo... Iso non é estreita nin é ancha, nin é cónica nin é cadrada", di, recoñecendo que tamén lle doeu o momento en que Feijóo negou ante Jordi Évole en 2018 a relación de amizade."Non o entendo, non sei por que se lía tanto", di Dorado sobre Feijóo, "ao negar iso parece que está ocultando iso, cando non hai nada que ocultar: nese momento eu non fora condenado por narcotráfico", di. "Non tiña nada sobre o que desconfiar, pero que non escape, que sexa valente", engade.Dorado destaca que foi el quen se distanciou de Feijóo: "Relacionábase moi alto e eu escapo desas cousas. Son eu o que marcha"O contrabandista lembra os momentos pasados xunto a Núñez Feijóo. "É un bo xestor, un bo político, a partir de 2006. Que antes, cando eu o coñecín, non estaba nin afiliado ao PP", relata. "Non ten vicios, non bebe, non fuma, non é unha persoa á que lle tire a festa. Goza do mar, metido nunha chalupa", engade.Dorado tamén explica o momento en que os dous deixan de ter relación e destaca que foi el quen se distanciou: "Relacionábase moi alto e eu escapo desas cousas. Son eu o que marcha". E afirma que "a última vez chámame el para comer, pola miña actividade como empresario. E quedamos", calcula que ao redor do ano 2001. Nese ano Núñez Feijóo convértese en presidente de Correos, despois de ter sido nos catro anos anteriores secretario xeral de Asistencia Sanitaria no Ministerio de Sanidade.Asegura que se viron no ano 2001 e contradí o sempre defendido polo actual presidente da Xunta, que asegurou que o último contacto que tivera co contrabandista se producira moito antesA afirmación de Dorado ao asegurar que se viron no ano 2001 contradí o sempre defendido polo actual presidente da Xunta, que dixo que o último contacto que tivera co contrabandista se producira moito antes, en 1999, cando soubo que Dourado estaba a ser investigado xudicialmente. A versión de Núñez Feijóo xa fora desmentida polo xuíz José Antonio Vázquez Taín, que afirmara nunha entrevista concedida a El Mundo que -tendo intervido o teléfono de Dorado- chegara a escoitar dúas conversas "intranscendentes" con Feijóo, ao redor dese ano 2001. En 2003 Núñez Feijóo é nomeado conselleiro por Manuel Fraga, apenas uns meses antes da detención de Marcial Dorado por narcotráfico. Na entrevista con Jordi Évole, Marcial Dorado láiase de ter sido moi prexudicado pola súa relación con Núñez Feijóo e pola existencia desas fotos, máis que o propio presidente da Xunta: "Eu tiven que ser condenado para danar a ese señor. Pero non danaron a ese señor, danáronme a min. Eu son o prexudicado, eu son o sacrificado". Dorado insinúa que as fotos só se fan públicas a partir do momento en que é condenado por narcotráfico, para así causar un efecto e un prexuízo maior. E quéixase do trato recibido por case todo o mundo, comezando polo presidente da Xunta: "Sigo sendo un cabaleiro, pode dicilo tranquilamente, señor Feijóo. E honrado. De acordo, contrabandista. Pero pregúntelle a un empregado das miñas empresas se son honrado ou non" Visitas de políticosDorado detalla as "visitas" que recibiu de representantes enviados por líderes políticos, en relación coa relación de amizade que mantivo con Feijóo, e pertencentes tanto a PP coma a PSOENa entrevista, Marcial Dorado detalla tamén algunhas "visitas" que nos anos que leva no cárcere recibiu dalgúns representantes enviados por líderes políticos, todas en relación coa relación de amizade que mantivo con Núñez Feijóo, e pertencentes tanto a PP coma a PSOE, segundo afirma o condenado por narcotráfico. En concreto, fala de que foron enviadas por "un ministro ou unha ministra" do PP e afirma que esas visitas buscaban prexudicar a Rajoy e a Feijóo. De igual xeito, relata que antes, en 2005, foi visitado por "dúas persoas" que viñan en representación "dun ministro importante de Zapatero". "Sentaron aquí e dixéronme: se fas isto, quedas libre", afirma."Dóeme o de 'narcotraficante', porque eu sempre escapei diso"Cómpre lembrar que Marcial Dorado xa fora detido no ano 1983 no marco da operación contra o contrabando de tabaco cuxo xuízo non chegou a celebrarse, e que en 1990 volveu ser arrestado, desta volta na Operación Nécora, pero de novo ficou libre. A pesar disto, Núñez Feijóo sempre afirmou non saber a que se dedicaba Dorado: "cando o coñecín non sabía nada do seu pasado nin da súa actividade". En 2003 foi de novo detido, e esta vez si foi condenado. Dorado quéixase de que nos medios de comunicación apareza referenciado como "narcotraficante". "Dóeme, porque eu sempre escapei diso", confesaO entrevistado rexeita a súa relación co tráfico de drogas, afirmando que el unicamente de dedicou ao contrabando de tabaco e dicindo que "eu non fixen droga, nin se como é nin sei como cheira" e reitera "estou en contra da droga, nunca houbo droga". Sobre a súa condena por narcotráfico, aifrma que simplemente lle vendeu o barco a Roberto Leiro, encargado da descarga. Na sentenza aparecen conversas telefónicas entre Leiro e Dorado que vincularían este último co tráfico de cocaína. Dorado quéixase de que nos medios de comunicación apareza referenciado como "narcotraficante". "Dóeme, porque eu sempre escapei diso", confesa.Di que votará "ao que non é o meu amigo"Nega, igualmente que o branqueo de cartos polo que foi condenado estivese relacionado co narcotráfico, sinalando que as 16 contas suízas polas que foi detido e os 22 millóns de euros branqueados tiñan a súa orixe na súa actividade como empresario. A entrevista remata con Jordi Évole preguntándolle se votará nas eleccións ao Parlamento Galego. "Se podo, si", afirma. E di que votará "ao que non é o meu amigo". "Porque coñezo a honradez de Feijóo. Se houbera outro coma el, votaría a outro, pero non hai", engade |
NOS_49032 | Manuel María converteuse no fío que teceu as XXV Xornadas de Lingua e Literatura que, organizadas pola CIG-Ensino e pola AS-PG, tiveron lugar na xornada do sábado en Outeiro de Rei. | A Casa Museo Manuel María acolleu na xornada do sábado dúas iniciativas que xiraron arredor do autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Dunha banda, as XXV Xornadas de Lingua e Literatura da CIG-Ensino e da AS-PG e, doutra banda, a xuntanza de traballo da iniciativa Cultura que Une, que perfila actividades sobre as obras de Manuel María e Miguel Torga. As XXV Xornadas de Lingua e Literatura, nas que participan arestora máis de medio cento de docentes, comezaron pasadas as 10.30h, cunha palestra do estudoso e antólogo de Manuel María Manuel López Foxo. Baixo o título "A poesía de Manuel María: O País é tamén unha viaxe cara a dentro", Foxo recuperou, con especial sensibilidade, a obra existencialista de Manuel María, a parte menos divulgada dos seus poemas. Após a visita guiada á Casa Museo, as xornadas continuaron coa presentación dos recursos didácticos sobre Manuel María deseñados para Primaria e Secundaria. Anxo Gómez (CPI Vicente Otero Valcárcel) expuxo a unidade na que se traballan a lingua e a literatura a partir da escrita do autor nado en Outeiro de Rei, unha unidade que abrangue desde a sociolingüística, até calquera xénero literario, pasando todas as temáticas e destinada a todas as idades. Tamén presentou a súa unidade didáctica o Seminario Galán, que inclúe materiais en formato papel, en rede e soporte Edilm, un conxunto de traballos a disposición de quen quixer na web seminariogalan.org. Xa durante a tarde tivo lugar o roteiro guiado por Outeiro de Rei, que levou as persoas participantes a coñeceren de primeira man a vida de Manuel María a través dos espazos referenciais da obra do autor. Da man de Alberte Ansede, María Calvo e Mateo Docampo, os presentes puideron descubrir a importancia da carballeira de Santa Isabel –unha das paisaxes máis fotografadas na tarde deste sábado- nos seus poemas, así como da Lagoa de Cospeito, entre outros recunchos. O roteiro complementouse coa lectura de poemas do autor homenaxeado neste 2016. A fin das xornadas terá lugar a partir das 20h, co espectáculo de maxia a cargo do ilusionista Martín Camiña. As persoas participantes salientaron o produtivo e emotivo das xornadas e apelaron a continuar a traballar nas aulas a figura de Manuel María alén de 2016 As persoas participantes salientaron o produtivo e o emotivo das xornadas, que tiveron lugar non como punto final do traballo pedagóxico arredor de Manuel María, senón como un punto de partida que abra camiños na divulgación da obra do escritor e de toda aquela parte que falta por coñecer. Insistiron, así, na necesidade de que o estudo da figura á que se lle dedican as Letras Galegas non fique tan só circunscrita ao 2016, senón que se afonde no seu traballo nas aulas cada ano. Cultura que Une A Casa Museo Manuel María tamén abeirou este sábado unha xuntanza de traballo no seo da iniciativa Cultura que Une na que participaron a Fundación Vicente Risco, a Tertúlia Araújo Correia, a Livraría Traga-Mundos de Vila Real e Ponte nas Ondas, amais de profesores e profesoras a título individual. En declaracións a Sermos Galiza, Luís Martínez Risco sinala que a xornada deste sábado foi "unha continuidade da que tivo lugar o 3 de marzo para concretarmos a metodoloxía que nos permita facer intercambios de alumnado, agrupamentos escolares e de profesorado entre colexios de Galiza e de Portugal arredor do eixo das obras de Manuel María e Miguel Torga". Non se trata só dun intercambio de alumnado, tamén se traballará nos eidos do patrimonio histórico, no ecolóxico, no lingüístico... O grupo de traballo estudará até xuño o programa de actuación co fin de que no inicio de curso os centros poidan implementar as medidas acordadas de maneira flexíbel, segundo nos conta Luís Risco, da Fundación Vicente Risco. Roteiro no Val de Quiroga Manuel María tamén foi o protagonista do roteiro que se desenvolveu este sábado no Val de Quiroga, arredor dos sonetos que o autor lle dedicou a este lugar. Na iniciativa participaron máis de medio cento de persoas. |
NOS_34219 | Colectivos ecoloxistas e veciñais instan o Concello de Vigo e Augas da Galiza a paralizar as obras da autovía "até garantir que non se producirán máis verteduras", e piden sancionar a empresa responsábel. | Os colectivos Ecoloxistas en Acción, Bembrive en Pé e Non ao Vial de Beade veñen de presentar unha denuncia perante Augas da Galiza e o Concello de Vigo por mor das "continuas verteduras non autorizadas" ao río Eifonso, que desemboca no Lagares. Isto, aseguran, é consecuencia das perforacións realizadas no lugar de Palames, perto do muíño do Cristino, como parte dos "labores de asistencia e consultoría contratados á empresa Ayesa para a construción dun túnel de máis de tres quilómetros como variante do treito da nova autovía A-52". Estas tres entidades instan ambas as administracións a paralizar os traballos de sondaxe "até garantir que non se van producir máis verteduras", ao tempo que pediron que se sancione á empresa "por esta agresión ao medio ambiente". "As obras do túnel suporán un grande impacto ambiental na nosa parroquia. Xa vemos como nada máis comezar están a contaminar as augas", lamentan desde a plataforma veciñal Bembrive en Pé. A A-52 sería paralela ao trazado da AP-9, advirten Subliñan, aliás, o "despilfarro de varios centos de millóns de euros" que implica a construción do túnel, "cando o trazado da AP-9 vai paralelo á nova A-52". Unha sentenza europea abre a porta a anular a prórroga da concesión da AP-9 Así, desde Ecoloxistas en Acción poñen o foco en que, no caso de se liberar as portaxes neste treito, tornaría na saída principal de Vigo cara Madrid. "E esta liberación xa foi aprobada hai anos en comisión parlamentaria cos votos a favor de, entre outros, os dous partidos que conforman o Goberno español", lembran. |
NOS_5285 | Centos de persoas maniféstanse polas rúas da vila contra a corrida de touros organizada e subvencionada desde o Concello | "Cos cartos das subordinadas, pagan as touradas", berraron arredor de 300 persoas durante a manifestación que percorreu este domingo as rúas de Sarria. Convocada pola Plataforma Sarria Libre de Touradas, a veciñanza da vila rexeitou este espectáculo organizado e subvencionado polo Concello. A mobilización partiu da Praza da Vila e percorreu as rúas até a praza móbil instalada pola administración local. Un cordón de axentes da Garda Civil franqueou os accesos á mesma en cuxo interior se atopaban o rexedor sarrián e o concelleiro de cultura entre outros membros da corporación municipal. Pouco máis dunhas ducias de veciñ@s participaron da tourada, embora "desde a alcaldía agasallaran centos de entradas entre a veciñanza" aseguraron desde a Plataforma cidadá en declaracións a Sermos Galiza. "Máis empregos e menos toureiros", corearon @s manifestantes para denunciaren o uso de fondos públicos para financiar esta práctica "cruenta e anacrónica" "Fóra, fóra a paletada española" ou "hai que torturar ao Partido Popular" foron algunhas das consignas coreadas durante o protesto. Entre @s organizacións que apoiaron a mobilización atopábanse Galiza Nova, o centro social Madia Leva!, Libera e Galiza Mellor sen Touradas. Aliás, @s deputad@s do Bloque Ana Pontón e Cosme Pombo amosaron o seu rexeitamento a esta "tortura animal" que "nada ten a ver coa cultura do noso país", afirma o manifesto ao que se deu leitura ao remate da manifestación. Esta terza feira, o pleno do Parlamento galego debaterá --a proposta do BNG-- a abolición desta práctica "cruenta e anacrónica", aseguran @s nacionalistas. Porén, todo apunta a que o grupo popular empregará a súa maioría absoluta para manter o carácter excepcional das touradas fronte aquelas prácticas que si son consideradas contrarias aos dereitos dos animais. No noso país, este tipo de espectáculos son desenvolvidos na Coruña e Pontevedra. En todos eles, o PP emprega fondos institucionais para os subvencionar. |
Subsets and Splits
No community queries yet
The top public SQL queries from the community will appear here once available.