ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_40409
Conversamos con Xosé Manuel Pereiro, integrante da Coordenadora de Iniciativa pola Unión.
O xornalista Xosé Manuel Pereiro (Monforte de Lemos, 1956) foi un dos promotores da manifestación conxunta do Día da Patria e do Banquete de Conxo. "Algúns pensamos que xa non valía o de facer un chamamento a que se movesen os demais, senón que había que construír unha ferramenta", cóntanos nunha conversa con Sermos Galiza na que dá conta da evolución de Iniciativa pola Unión. Cales son os próximos pasos a desenvolver por parte da Iniciativa pola Unión? En Conxo había un Grupo de Extensión que acabou sendo un Grupo de Inclusión, porque o que acabou decidindo, por consenso, foi confluír cos outros proxectos. O noso papel é presionar os partidos, o electorado, a prol dunha candidatura galega de unión. Ser máis, estar xuntos para presionar mellor, pero tamén necesitas facer músculo, estar máis presentes. Por iso, á vez que facemos conversas con quen está a prol dunha candidatura galega soberana, é dicir, con tutti quanti, iniciamos unha recollida de apoios na web, de entrada, e logo seguiremos por outras vías. A cuestión dun grupo parlamentar propio galego foi unha cuestión fundamental para Iniciativa pola Unión. Porén, semella tanxencial para a Marea Galega… Non creo que haxa tal diferenza. Nos dous manifestos iniciais fálase dun grupo parlamentario galego. Os matices poden obedecer ás distintas formas de nacemento. O de Iniciativa foi algo magmático, e a asemblea, despois dun debate longo, acordou xa unhas liñas programáticas xerais, que inclúen especificamente ese asunto. Na xornada de traballo convocada o 22 polo Encontro Cidadán,a inmensa maioría dos participantes estaba a favor do grupo parlamentario, outra cousa é que non o acordaran como tal para non estabelecer unha liña de disenso. A entrevista completa tela ao teu dispor no número 161 do semanario en papel. Á venda xa nos puntos de venda habitual e na nosa loxa.
NOS_41890
A oficina de emprego de Pinneberg vén de editar unha guía en que recolle as recomendacións básicas que quen non ten traballo remunerado debe seguir se quere conservar a prestación que cobra
Deixar de comer carne. Beber unicamente auga da billa. Vender os mobles e até deixar a casa para ir vivir a outra máis pequena. Son os "consellos úteis" que unha oficina de emprego de Alemaña, a da cidade de Pinneberg, vén de publicar nunha guía onde ensinan ás persoas que non teñen traballo remunerado a xestionar mellor a prestación social que reciben. Non é unha brincadeira propia do primeiro de abril senón un libro de 112 páxinas emitido por un organismo oficial. A través da familia Fischer, de catro integrantes e retratada na guía, Alemaña decidiu marcar a folla de ruta a seguir por quen cobra o desemprego. Na primeira folla a nai e o pai informan ás dúas crianzas de que veñen de solicitar a prestación e que como medida de aforro na casa deixarán de comer carne. "Sempre quixen ser vexetariana", exclama entusiasmada a nena. Só poden ter mobles e os cartos que gañan se os venden Noutro episodio a familia reflexiona que "a nosa casa é moi grande e ten moitos gastos. O mellor é buscar outra". Proceden entón á subasta de varios mobles polos que reciben 350 euros. Neste punto, a oficina de emprego de Pinneberg advirte: "o diñeiro obtido pola venda dos mobles e demais obxectos do fogar non lles será descontado da prestación". Non é unha obviedade. En Alemaña, as persoas que levan máis de dous anos no desemprego e aqueloutras que non tiveron nunca un traballo remunerado teñen dereito a unha axuda non contributiva que cobre o pago dun aluguer e unha pensión de subsistencia duns 350 euros, podendo a familia traballar até ingresar outros 100 euros máis sen perder estes ingresos sociais. Porén, non poden dispor de ningún ben en propiedade nin de cartos aforrados, polo que @s desempregad@s venden as xoias e incluso a vivenda pois a axencia de emprego resérvase a potestade de enviar alguén que supervise se na casa hai algún ben que non é 'adecuado' á situación económica que debe ter @ traballador@ para recibir a prestación. Por tanto, unha das poucas cousas que poden posuír son os mobles e o diñeiro resultante de os vender. Na imprensa téñense publicado casos de oficinas de emprego que controlan as rúas, os supermercados e as caixas do correo, por ver se as familias fan gastos que non declaran ou van de ferias sen o consentimento da axencia alemá de emprego. O subdirector do Inem alemán considera "estupenda" esta guía Continuando coa guía, nun supermercado a nai fala con outras nais que lle aconsellan que para facer cadrar as contas o mellor é beber auga da billa e non embotellada. Poderían ser recomendación orientadas a mudar os nosos hábitos de consumo cara unha alimentación máis saudábel ou aforrando en gastos innecesarios. Non faltan incluso os consellos clásicos de empregar pouco a calefacción ou apagar as luces. Porén, son as directrices que para conservar unha prestación por desemprego debe seguir a cidadanía de Pinneberg e que foron loadas polo subdirector da axencia nacional de emprego alemá, Heinrich Alt, como "unha guía estupenda", segundo publicou na súa conta de Twitter. Para alén do sinalado, as persoas que cobran as prestacións son chamadas para realizar traballos nun réxime moi similar á medida privativa de dereitos que se lle impón a persoas que cometeron algún delito, os traballos en beneficio da comunidade. Se se negan a os facer son sancionadas. A medida xa foi imitada no Estado español e a Comunidad de Madrid obriga @s desempregad@s a traballaren de balde para as institucións públicas.
NOS_24619
Anunciouno nunha entrevista na RG. "Os últimos catro anos foron moi intensos", afirma. A aínda líder de Esquerda Unida reiterou as súas críticas á executiva de En Marea, que considera pouco "inclusiva". "Desta forma restamos, non sumamos".
Moi envorcada na política estatal e cada día máis perto de Pablo Iglesias, Yolanda Díaz anunciou esta terza feira que o próximo mes de xuño, na XII Asemblea Nacional de Esquerda Unida, non optará á reelección do seu cargo como coordenadora nacional. Non estaríamos, dixo, perante un "paso atrás" e si perante un "paso ao lado", dixo a parlamentar, quen alegou que os últimos catro anos foran moi intensos. Perguntada ao respeito, Díaz reafirmou as súas críticas á Coordenadora (executiva) de En Marea que lidera Luís Villares, da que dixo que é pouco inclusiva. De todos xeitos, rebaixou algo o ton das súas obxeccións ao matizar que a confluencia está aínda "en proceso de experimentación" e que por tanto todo sería susceptíbel de mellora. Animou tamén o Tramabús de Podemos a vir a Galiza e até suxeriu algúns rostos que poderían ilustrar a carrocería do vehículo: desde os antigos diretivos das caixas até "Villar Mir coas nosas hidroeléctricas ou outros que pasan de bicos nos pés, pero que imos ver como acaban: Pepiño Blanco [dixo en alusión ao ex vicesecretario xeral do PSOE] e cargos do PP relacionados co Alvia, que parece que algo están a ocultar ou aquel señor que se retirou, Paco Vázquez", dixo. Díaz fai parte do sector de Esquerda Unida máis comprometido co proxecto de fusión orgánica co Podemos de Pablo Iglesias.
PRAZA_5683
A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, os Colexios de Médicos de Ourense e Pontevedra, CIG, CC.OO. e UGT piden a paralización da áreas de xestión e chaman a unha mobilización "contra o desmantelamento dos servizos públicos"
"Reclamamos a paralización da implantación das Áreas de Xestión Clínica, a recuperación das Xerencias de Atención Primaria e a restauración dos orzamentos da sanidade pública. Propoñemos unha intensa movilización unitaria contra o desmantelamento dos servizos públicos que están a realizar os actuais gobernantes desde o propio poder". A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, a Asociación Galega de Médicos, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, CIG, CC.OO., UGT e os colexios médicos de Ourense e Pontevedra pronunciáronse este martes de forma unánime e consensuada contra as Áreas de Xestión Clínica impulsadas pola Xunta. Consideran que o proxecto da Consellaría de Sanidade será negativo para traballadores e usuarios, prexudicando o sistema sanitario público e, especialmente, a atención primaria. Tamén alertan de que "o proxecto laboral é ambiguo e pouco definido, o sistema de incentivos é de unha dubidosa ética profesional (baséase no aforro e non na boa práctica clínica), e non hai suficiente información e transparencia para a elaboración dos contratos de xestión". Engaden que pode "xerar duplicidades no conxunto dos traballadores do Sergas" e "inequidades na atención aos usuarios". Afirman que as áreas poden "xerar duplicidades no conxunto dos traballadores do Sergas" e "inequidades na atención aos usuarios" O documento de consenso conclúe que unicamente "saen gañadores desta estratexia as empresas privadas que tentarán buscar beneficio neste desorde, e a pleiade de xestores que ven neste modelo unha saída para o seu porvir profesional". E alerta de que as áreas "favorecen a creación de modelos diferenciados dentro do sistema: todo un traballo previo para a posterior privatización dos centros asistenciais desde dentro". Ademais, aínda que apuntan que para que o sistema público de saúde se adapte aos seus novos retos (envellecemento, modernización teconlóxica...) podería ser aceptable a "estratexia da xestión clínica, entendida como unha recuperación da autonomía e liderado por parte dos clínicos", sinalan que a Consellaría carece de "credibilidade" á hora de facer propostas para potenciar a Atención Primaria e a fortalecer a sanidade pública. E denuncian "a drástica reducción do orzamento sanitario", o "incremento masivo das externalizacións" ou "exclusión da cobertura sanitaria de diversos colectivos da poboación" ou a "introdución de copagamentos", medidas que teñen provocado "danos para a saúde individual e colectiva". O documento de consenso conclúe que unicamente "saen gañadores desta estratexia as empresas privadas que tentarán buscar beneficio neste desorde" Lembran que o propio Consello Consultivo de Galicia emitiu un ditame o pasado mes de marzo, no que sinalaba que "o proxecto de decreto polo que se regulan as áreas de xestión clínica do Servizo Galego de Saúde resulta contrario ao ordenamento xurídico". E tamén que o decreto que pon en marcha as áreas "foi aprobado por vía de urxencia, sen que houbese ningun debate parlamentario e sen consulta previa aos profesionais nin ás forzas sindicais". Finalmente, chaman á mobilización contra as áreas de xestión clínica e solicitan "a apertura dun amplio debate social para realizar os cambios necesarios no modelo asistencial que permita garantir continuidade dunha sanidade pública e universal".
NOS_14002
Esta sexta feira finaliza o prazo para presentar as listas fecharas para as eleccións cataláns.
O 17 de novembro, esta sexta feira, é o límite para que os partidos que van concorrer ás eleccións cataláns do 21D presenten as súas candidaturas cos nomes das persoas que as integran. Foron estes días intensos en contactos, ruxes-ruxes e noticias sobre 'fichaxes' e incorporacións nas diferentes formacións de cara aos comicios de dentro de pouco máis dun mes. Non hai lista unitaria do independentismo, polo que se deu en certa medida unha competencia por completar as listas de cada unha das forzas en concorrencia con nomes desexados por todos. Unha das novas é que se presente Junts per Catalunya, encabezada por Puigdemont e co apoio do PDECat. A tamén denominada polos cercanos 'Lista do Presidente' incorporou Jordi Sánchez, presidente da ANC e preso desde hai un mes. A ANC, a maior organización social do soberanismo, é caladoiro onde queren pescar máis nomes desde Junts, como o de Nùria Guillaumes, tesoureira da Assemblea. ERC, que presenta Junqueras como candidato, incorpora a presidenta do Parlament, Carme Forcarell, na lista por Barcelona e de número 4. Na lista de Esquerra van varios independentes, como Rubén Wagensberg, voceiro da campaña de acollida de refuxiados. ERC conta co apoio de Demòcrates (o sector soberanista de Unió) e de MES (soberanistas que veñen do PSC). CUP presenta Carles Riera, un veterano de loitas sociais e culturais en Catalunya. Fai parte de Endavant-Osan. 66% da militancia da CUP apoia as listas da formación independentista. Mireia Boya, Natàlia Sánchez e Xavier Milian completan as cabezas de lista polas catro circunscricóns.
NOS_11691
A ONU está a solicitar axuda para millóns de persoas afectadas por un tifón que pode ter provocado xa dez mil mortes en Filipinas.
A confirmación oficial do número de persoas falecidas tardará en saberse mais os organismos internacionais valoran xa a cifra de 10.000 mortes no seu paso por Filipinas convertendo o país nun inmenso escenario de traxedia. O tifón diríxese agora ao Vietnam onde xa se están a facer evacuacións, mentres China decretou alerta amarela. A ONU puxo a atención en cidades como Taclobán, provincia de Leyte, que foi arrasadas en arredor dun 80% deixando sen domicilio a milleiros de persoas nunha situación que o organismo internacional define como de "devastación". O dato de estimación das 10.000 mortes refírese só á illa de Leyte, onde o tifón arrasou con ventos e inundacións. Máis de medio millón de persoas se atopan en centros de evacuación en máis da metade das provincias de Filipinas. Toclobán, centro dos efectos do tifón, atópase nun estado de destrución case total, coas estradas cortadas e centos de mortos polas rúas, despois de que o tifón con rachas superiores 300 quilómetros por hora azotara esta cidade costeira e as inundacións provocaran o desastre mortal. Fortes ondas e unha subida inmediata da maré como se dun tsunami se tratara pode ser a razón da maior parte das mortes. A desesperación prende nas rúas de Toclobán cidade que, a tal hora, carece de comida, auga e electricidade e na que os saqueos xeralizados contribúen a incrementar o horror. Tamén na Samar, próxima a Leyte, se estima a existencia duns 300 cadáveres e 2.000 desaparecidos.
NOS_35650
O nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores encabeza a delegación desprazada até a capital belga. Segundo a axencia que entrega o galardón o "modelo urbano aplicado por Pontevedra" debería ser exportado a outras cidades europeas.
"Un exemplo a seguir", así o considerou a axencia Intermodes que outurga anualmente o Premio europeo á mobilidade. O Concello de Pontevedra recolle esta cuarta feira en Bruxelas o galardón polo plano peonil deseñado para a cidade da Peregrina. Un proxecto, o 'Metrominuto', que foi considerado "audaz" por habilitar rotas a pé que percorren a cidade. Os planos, determinan o tempo estimado de cada percorrido á fin de pular polo desprazamento a pé en troca de empregar vehículos particulares. Pontevedra, deseña desde hai máis dunha década un proxecto de cidade sostíbel que xa foi premiado en anteriores ocasións a nivel internacional. Neste senso, Intermodes salienta que o premio procura recoñecer "o modelo urbano aplicado por Pontevedra" e que cre "podería ser facilmente incorporado" en cidades europeas "de tamaño semellante" ao da Pontevedra. Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde da cidade, encabeza a comitiva pontevedresa que recollerá na capital belga o galardón. Na súa visita, o rexedor reunirase co director xeral de transporte da Unión Europea, Matthias Ruete. Neste senso, membros da delegación tomarán parte do Congreso europeo sobre mobilidade en que debullarán o seu proxecto de facer máis sostíbel e peonil Pontevedra. "O BNG ten claro que temos que tirar pola soberanía"O rexedor pontevedrés falou esta cuarta feira sobre o conclave nacionalista que terá lugar o vindeiro mes de marzo. Neste senso, Fernández Lores desbotou a súa candidatura á portavocía nacional da organización frontista e asegurou que continuará como rexedor de Pontevedra "até que o desexen os veciños e os meus compañeiros". O nacionalista, asegurou en declaracións á Radio Galega que o Bloque aspira a definir nesta Asemblea nacional "cal é o camiño a seguir" cara á soberanía nacional e salientou a "oposición á Unión Europea", como unha das ideas que poderían centrar o debate. Tamén así, Lores considerou que a asemblea apostará pola unidade do nacionalismo, "de todos aqueles que defenden este país".
PRAZA_17369
O titular da Xunta afástase da decisión do presidente do Parlamento de sancionar os deputados que ligan o seu partido coa corrupción e asegura que o que máis lle pesa á hora de decidir se opta a liderar o PP é ser presidente do Goberno galego Os letrados do Parlamento non avalan o veto xeral a que os deputados digan que o PP foi "condenado por corrupción"
Os letrados do Parlamento non avalan o veto xeral a que os deputados digan que o PP foi "condenado por corrupción" Dicir que o PP foi "condenado por corrupción" no caso Gürtel pode ser en Galicia máis perigoso para un deputado que para os xornalistas ou calquera outra persoa. Se os representantes públicos o din na Cámara autonómica o seu presidente, o popular Miguel Santalices, ademais de retirar as súas verbas do diario de sesións, os apercibe, e se esa sanción se repite tres veces serán expulsados e suspendidos de soldo. Pola contra o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, malia que é dos que teima en considerar "falso" que o PP fose condenado por corrupción, non pensa querelarse contra quen o diga fóra da Cámara. "Se vostede me pregunta se eu o vou demandar por dicir que o PP foi condenado por corrupción, saiba que eu non o vou demandar; se me pregunta, direille que é falso, pero desde logo eu non o vou demandar" "Se vostede me pregunta se eu o vou demandar por dicir que o PP foi condenado por corrupción, saiba que eu non o vou demandar; se me pregunta, direille que é falso, pero desde logo eu non o vou demandar". Así respondeu Feijóo este xoves preguntado, na rolda de prensa tras a reunión semanal do seu Goberno, se, á vista de que dicilo no Parlamento está a supoñer sancións incluso para os deputados, que deberan ter inviolabilidade, el mesmo se plantexa querelarse contra os xornalistas ou calquera outra persoa que o siga dicindo. "Vostedes poden dicir o que consideren oportuno", respondeu Feijóo, para reflexionar a continuación que "teñen vostedes algúns riscos de dicir cousas e de que poidan ser demandados, xa o saben vostedes e teñen experiencias ao respecto, que hai xente que demanda a xornalistas por inxurias ou por calumnias e ás veces o xuíz lle dá a razón ao xornalista e outras veces lle dá a razón ao demandante". Pero a continuación engadiu que el non o fará. Feijóo afástase da decisión do presidente do Parlamento de sancionar os deputados que ligan o seu partido coa corrupción O presidente da Xunta aproveitou a pregunta para desligarse da decisión do presidente do Parlamento de sancionar aos deputados que o digan amparándose nun informe encargado polo propio Santalices aos letrados da Cámara do que só divulgou unha "nota aclaratoria" que realmente non avala o seu veto xeral a esa expresión. Segundo Feijóo, el mesmo soubo da existencia dese informe ao tempo que o resto dos deputados, cando foi invocado por Santalices no último Pleno sen amosalo para chamar á orde á voceira do BNG, Ana Pontón. Feijóo dixo que recorrer a ese suposto informe dos letrados é unha "decisión do Parlamento, non é unha decisión do Goberno" e apelou á "absoluta independencia da Mesa [do Parlamento], do presidente do Parlamento e dos deputados". Feijóo engadiu que, como "calquera licenciado en dereito", comparte "o contido" do informe dos letrados da Cámara, que non foi feito público. Pero a continuación engadiu que se se lle pregunta "se comparto a oportunidade", a súa resposta é que "como presidente teño que dicir que as decisións do Parlamento son autónomas". Feijóo di que o que máis lle pesa á hora de tomar unha decisión sobre o seu futuro no PP é o feito de ser actualmente presidente da Xunta Sobre o seu futuro como posible candidato á presidencia do PP estatal tras a dimisión de Mariano Rajoy derivada da condena do caso Gürtel, Feijóo insistiu en apurar os prazos á espera de que a semana próxima se abra o período de presentación de candidaturas. E sobre a situación de indefinición en que está o Goberno galego á espera desa decisión, Feijóo dixo que "se a pregunta é se me pesa ser presidente da Xunta para adoptar unha decisión sobre o papel no PP no futuro, é o que máis me pesa nesa decisión, por riba de calquera outra ambición política". Admite así o presidente que a súa decisión pode ter un efecto desestabilizador na Xunta. Este xoves ao presidente tamén se lle preguntou se, como vén facendo desde que ocupa cargos públicos en Galicia, se sometería de xeito habitual a roldas de prensa en calquera outro posto que desempeñase. "Sempre que hai roldas de prensa intento contestar ás preguntas", dixo, para concluír: "Non creo que non contestara a preguntas, é a miña forma de entender a vida política".
NOS_24946
Centros de ensino medio, FP, Universidades, as rúas do país en xeral. Ese é o escenario no que se vai desenvolver a campaña "Nin escravitude nin emigración. Na Galiza exiximos dereitos", que presentou esta sexta feira Galiza Nova, as mocidades do BNG.
A campaña culminará nun acto reivindicativo o 15 de outubro nas oficinas de emprego do país, informou á imprensa o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, após unha reunión da dirección nacional da organización xuvenil. Non foi unha reunión máis do órgao executivo das mocidades do Bloque, pois nela participaron o portavoz nacional e o secretario de Organización da formación frentista, Xavier Vence e Bieito Lobeira, respectivamente. As propostas concretas de Galiza Nova Que propón Galiza Nova para saír desta desde unha perspectiva xuvenil? Basicamente, segundo expuxo Alberte Mera, o que cómpre é cambiar radicalmente a focaxe das políticas públicas. Galiza Nova propón en concreto o desenvolvimento de programas de orientación e recualificación para a mocidade desempregada, políticas "reais" de creación de emprego e a derrogación das reformas do mercado laboral que, din as rapazas e os rapaces do BNG, "precarizan as condicións laborais e dificultan o acceso ao emprego". En palabras de Alberte Mera, "non cabe a resignación, nin quedar na casa ante o roubo dos nosos dereitos sociais e laborais". Os dados sobre a situación laboral da mocidade galega son desoladores. Tomemos nota: "77.000 mozos e mozas abandonaron Galiza nos últimos catro anos, e a tendencia foi en aumento posto que, desa cifra, 26.000 marcharon o ano pasado, o que fai unha media de 2.000 mozos e mozas que colleron a maleta cada mes durante 2012", dixo Mera. Por un lado, os que emigran. Por outro, @s que non teñen traballo: 80.000 mozos e mozas, desempregados, procuran traballo neste momento na Galiza. Que facer? A receita que dá Vence ás mozas e aos mozos da súa organización é a de "rebelarse" para "mudar o rumbo das políticas económicas e antisociais do Goberno central e da Xunta, que están a deteriorar a vida dos galegos de das galegas".
NOS_26546
A Associaçao José Afonso retransmitirá unha conversa con Francisco Fanhais, amigo do músico e presidente da entidade.
Para conmemorar o concerto celebrado o día 10 de maio de 1972 no Burgo das Nacións, en Compostela, onde se di que José Afonso interpretou por vez primeira a canción de Grândola, vila morena, que depois serviu de sinal para a Revoluçom dos Crâvos en abril de 1974, a Associação José Afonso manterá unha conversa co Francisco Fanhais, presidente da AJA e amigo de José Afonso. A actividade terá lugar o domingo 19 de maio ás 19 horas (18 horas en Portugal) e poderá seguirse na canle de Youtube da AJA Galiza. Francisco Fanhais naceu en 1941 en Praia do Ribatejo (Portugal) e é foi unha das persoas activistas contra a ditadura en Portugal a través da música e das letras comprometidas. Esta oposición ao réxime salazarista provocou que tivese que marchar a Francia en 1971, cando se fai militante de Luar. Alí comparte vivencias con José Afonso, que iría a París a gravar o disco Cantigas de maio, das que falará nesta entrevista-debate, ademais das súas visitas a Galiza tamén na clandestinidade. Fanhais volveu a Portugal após o día 25 de abril de 1974 e colaborou coas campañas de dinamización cultural do Movimento das Forças Armadas. En 1975 participou na gravación do disco República, con José Afonso, e tamén no disco Ao Vivo no Coliseu. Na actualidade é o Presidente da Associação José Afonso.
PRAZA_10919
'1968' (Laiovento, 2018) e 'Palavras a Espártaco' (Através, 2015) são dous livros imprescindíveis para compreender a poética de Vítor Vaqueiro. Falamos com ele de ambos nesta entrevista,
'1968' (Laiovento, 2018) e 'Palavras a Espártaco' (Através, 2015) são dous livros imprescindíveis para compreender a poética de Vítor Vaqueiro. Falamos com ele de ambos nesta entrevista, que o seu autor respondeu pelo correio electrónico. "Em geral", diz ele, "a minha motivação essencial, em qualquer tipo de escrita, é a pesquisa, a aquisição de conhecimento, a procura da precisão, o esclarecimento de feitos e a expressão das cousas da minha contorna, as que ficam perto de mim, fazendo-o da maneira o menos convencional possível". Com um estilo moi particular do que também falamos nesta conversa. Ricardo Gurriarán fez a crônica de ensaio mais conhecida de 1968 em Santiago. O que ti propões em '1968' é uma crônica poética não só da Galiza, mas dum movimento que atravessou diferentes partes do mundo. Como surge '1968' e qual o papel da memória nela?'1968' apareceu como aparecem todas as cousas neste mundo: da relação entre a realidade e a imagem que cada quem tem dessa realidade, da relação entre a contorna física e social, objetiva, e a nossa própria subjetividade, quer dizer, da fusão entre os mundos experimentados e o imaginário. Neste sentido, como podes supor, jogam um papel basilar as lembranças, e portanto a memória, uma vez que elas são o material direto sobre o qual agir. E aqui penso que cumpre salientar o processo de recriação que a passagem do tempo impõe, ainda que não o desejemos. A memória, gosto lembrá-lo, é seletiva —lembramos o que achamos de maior interesse— mas também re-construtiva —o que lembramos é o que ocorreu depois de tê-lo submetido a um processo de re-criação—. Por isso, é o meu ponto de vista, acho que, como a vingança, as melhores evocações são aquelas que se servem frias. No caso de '1968' o processo de arrefecimento durou quase meio século. No limiar do livro, Álvarez Cáccamo ressalta que a principal novidade deste livro, na tua trajetória poética, é o registro da verbalização da intimidade. Concordas com esta idéia? Em que medida? Não é fácil, do meu ponto de vista, que um autor, ou autora, opine sobre o seu próprio trabalho e, no meu caso, especialmente. Dito isto, e tentando dar resposta à tua pergunta direi que é possível que Cáccamo tenha razão. Acho que, à hora de julgar a minha poesia, existiu sempre um ponto de vista da crítica —com exceções, como é lógico— segundo a qual a minha escrita poética se caracterizava pola presença do elemento mítico, pola frieza e pola opacidade. Não vou negar que eu faça uma proposta que —para além das suas bondades ou maldades literárias— tem o seu grau de dificuldade. Tudo neste mundo é difícil, lembra-nos J. L. Borges e eu escrevo como escrevo, não sei fazê-lo doutra forma. Mas também penso que essa escrita, na que acredito, colhida no seu conjunto, é, também, profundamente autobiográfica, materialista, no bom sentido do termo, e ancorada no mundo real. "Provavelmente o que acontece em '1968' é que todo o texto, sem exceção, procede da experiência direta vivida"Provavelmente o que acontece em '1968' é que todo o texto, sem exceção, procede da experiência direta vivida. Foi vivido, em primeira pessoa, o acontecimento que para mim supus o processo da universidade naqueles anos, como o foi a guerra do Vietnã, que marcou fortemente uma parte, infelizmente escassa, das pessoas que vivemos essa época, as fotografias, que lembro, do Che Guevara morto, o seu cartaz feito desde uma foto de Alberto Korda, a da miúda vietnamita nua queimada polo napalm, de Nick Ut, a do assassinato dum guerrilheiro Vietcong, de Eddie Adams, o festival de Woodstock cujo filme vi, se mal não lembro, no Salão Teatro, a audição, uma e outra vez, da 'Shosholoza' de Pete Seeger, num piso da rua da Rosa, os graffitis, que ainda tenho fotografados, de Franco del Carro, o medo pessoal, o abandono amoroso, as visitas ao cemitério de Bonaval, a mulher serpente das festas da Ascensão, a música dos Creedence, de John Lee Hooker, de Zeca Afonso e de Quilapayun, escutadas centos de vezes, a feira na carvalheira de Santa Susana, o recital de Voces Ceibes no Capitol e muitas cousas mais. Esse é o material do que está composto '1968', texto que tenta refletir esse caráter, como che dizia, de acontecimento, entendido este termo no seu sentido forte, no de circunstância que interrompe o devir cotiá, que interrompe a política e gera um novo rumo, uma nova perspectiva das cousas.Assim que o livro começa, aparece uma referência ao Vietnã, seguida por um poema no que se encontram a Guerra do Vietnã, o 68 de Santiago, o assassinato de estudantes em Tlatelolco, (México), o 68 de Paris, a primavera de Praga, a luta da Baader-Meinhof na Alemanha ou os assassinatos do Che e Luther King. E esse procedimento de colagem, de acumulação (quase sem pontos, muitas vezes), de encontro de vários fatos análogos mais ou menos simultâneos, repete-se em todo o poemário, como já estava nos teus livros anteriores. É, de fato, uma das marcas da tua poesia. Saberias explicar por quê?Na resposta que lhe acabo de dar à tua anterior pergunta mencionei um termo, materialista, que queria esclarecer, mas que (tenho esta cabeçinha ...) me esqueceu de fazê-lo. Este processo que, certeiramente, sinalas como de colagem corresponde a uma intencionalidade consciente, e desculpa-me a redundância, porque se é intencional é consciente. Essa intenção quer ser a posta em cena dum vetor, seja este o que for, que seja comum a toda a Humanidade. No caso que citas (Vietnã, México, Alemanha, Bolívia, etc.) trata-se de pôr de manifesto que a luta contra a injustiça é algo global, algo que se produz onde seja que exista a injustiça. "Trata-se de pôr de manifesto que a luta contra a injustiça é algo global, algo que se produz onde seja que exista a injustiça"O mesmo poderia ser a existência do amor ou a luta pola conservação do planeta, feitos universais que, mediante um procedimento que quase se poderia dizer dialético, tento apresentar baixo o que efetivamente são, processos globais. Isso é o que sugerem referências ao feito de que Angela Davis caminhe pola rua de Entremuros, que o alarido de Cuauhtémoc ecoe na praça do Toural ou que a face de Guevara se enxergue na carvalheira de Santa Susana. Nesta mesma linha encontra-se o emprego dos topónimos, que já aparecem, de maneira balbuciante, em 'Lideiras entre a paisagem', do ano 1979. Todos estes procedimentos que, como che dizia, tentam ser de caráter dialético, estabelecem uma relação entre o Particular, o Nós a nossa Singularidade, e o Universal, querendo salientar ao tempo a nossa pertença à Humanidade, mas também a nossa especificidade e o nosso contributo à existência da Totalidade. Há hendecassílabos e alexandrinos —como nos teus livros anteriores, verso livre, prosa poética, prosa perto do ensaio ... E uma disposição de poemas que combina a data — como se fosse um diário— com a formação de séries. Como achaste essa estrutura? Algum motivo especial para a preferência por hendecassílabos e alexandrinos?Em realidade essa estrutura à que te referes, responde a um desejo de solucionar determinadas questões. Em primeiro lugar, a de reconduzir, entre aspas, redefinir o tempo. Ainda que o livro leva por título '1968', verdadeiramente a sua temática abrange vários anos, os da minha estância como estudante em Compostela. É certo que alguns eventos notáveis pertencem estritamente a este ano, como, por exemplo, a morte de Martin Luther King, a luta contra o encoro de Castrelo de Minho, a ofensiva do Tet desenvolvida polo FNL em Vietnã, o massacre de Tlatelolco ou a morte do torturador Melitón Manzanas. Mas outros são anteriores, por exemplo o assassinato de Ernesto Guevara, ou posteriores, como o festival de Woodstock, e mesmo existem alguns que, pertencendo à paisagem compostelã ou a outras mais amplas, se alongam no tempo sem terem data fixa, como a visão das Marias, a lembrança de Eduardo —"o judeu", o livreiro da Rua do Vilar— a repressão franquista ou as minhas visitas, nas noites sem chuva, à praça da Quintana. Como já tenho sublinhado, o título do livro deveria apontar em direção a algo como 'Tempo do 68' ou semelhantes, porque desta maneira seria mais fiel ao seu conteúdo. Mas considerei que '1968' tinha uma claridade da que outras fórmulas adoeciam, para além de afastar-se de títulos como 'Tempo de silêncio' de Luis Martin Santos ou 'Tempo de Compostela', de Salvador Garcia-Bodaño. Optei, polo tanto por uma fórmula que, com efeito, condensa os acontecimentos de vários anos num único, 1968, que ademais apresenta a vantagem de possuir uma pegada histórica e mítica importante e essa, chamemos-lhe, condensação poderia refletir-se numa estrutura que lembrasse um diário e que tivesse a duração de um ano ordenada cronologicamente. "No que se refere ao emprego de hendecassílabos e alexandrinos, trata-se de metros clássicos, mui utilizados, dos que gosto especialmente, nos que me acho cómodo"E, em segundo lugar, essas datas procuravam a ancoragem de feitos à sua estrita temporalidade, de tal maneira que o poema do 4 de abril corresponde, justamente, a data do assassinato de Luther King, o 25 de julho ao dia de 1968 que o nacionalismo político galego pendurara uma faixa com a reivindicação nacional na Alameda, o 11 de agosto ao dia que segue à morte do membro da CIA Dan Mitrione polos Tupamaros ou o 3 de dezembro (neste caso de 1970) ao fechamento na catedral, a mesma data que a ditadura começara o processo de Burgos contra militantes independentistas bascos. Outros textos, além de data, levam um título relacionado com o seu conteúdo. No que se refere ao emprego de hendecassílabos e alexandrinos, trata-se de metros clássicos, mui utilizados, dos que gosto especialmente, nos que me acho cómodo e que, depois de anos de exercício da poesia, quase posso dizer que cheguei a interiorizar e que, do meu ponto de vista, outorgam-lhe ao texto um ritmo que acho satisfatório. Nos poemas mais diretamente biográficos, aqueles que reconstroem as tuas lembranças estudantis em Santiago, há alguns personagens que são muito repetidos: da Voz Afrautada aos representantes da repressão, naquel tempo em que muitas vezes nos diziam que a repressão já era uma coisa branda. Queres falar sobre eles?Efetivamente há menções específicas aos personagens chave do franquismo, como é o caso da Voz Afrautada, óbvia referência ao ditador, ao tempo que contem, igualmente, alusões aos colaboradores do regime, quer importantes —como o reitor Garcia Garrido ou o decano de Ciências, Joaquin Ocón, dous personagens solidários com a repressão— quer secundários, como o bedel-policia Zabala, sobre o que se ironiza comparando-o com Lord Nelson, por mor do uniforme de fasquia militar na sua versão marinha que Zabala vestia em dias solenes o qual poderia fazer lembrar o almirante britânico. O uniforme, por dizê-lo em palavras de hoje, era absolutamente patético e faria-nos alucinar em cores. "A repressão, por suposto, não era uma cousa branda, senão um dispositivo que se ia avultando na mesma medida que cresciam os movimentos de protesta ou reivindicativos"E a repressão, por suposto, não era uma cousa branda, senão um dispositivo que se ia avultando na mesma medida que cresciam os movimentos de protesta ou reivindicativos. A prova está nas pessoas às que se lhes abriu expediente a começos do curso 1968-69, que foram expulsas da universidade de Santiago ou que se viram na situação, por culpa duma repressão indireta, levada através da própria universidade, como foi o caso do tristemente célebre departamento de Engenharia Química, de terem que adiar o final das suas carreiras durante longos anos. Isto por me cingir só ao âmbito universitário, porque em outros casos, pensemos em Ferrol, teríamos de falar já especificamente de mortes. Outra cousa é o "relato", a versão que temos daqueles tempos, relato construído desde o Poder que querem transmitir a mensagem de que a ditadura era nos últimos tempos, em realidade, uma ditabranda, da mesma maneira que se tentou disfarçar de "transição modelo" o que foi um processo com centos de mortos causados pola urdume de forças de segurança de Estado e polas bandas para-policiais que nunca recebeu uma soa condena. O livro tem muito de retrato do Terror, e em geral da violência, da época. Mas de certa forma também se conecta com a atual violência das "democracias" capitalistas. Em que sentido este livro também fala da violência presente?Claro, porque a época era violenta e essa violência, bem como o medo que a violência gerava, está refletida, ainda que muitas vezes seja de maneira indireta, através da peneira literária, nas páginas do texto. Não sei se dizer que a violência está inserida no gênero humano até a raiz, mas acredito que qualquer sociedade arranjada em camadas e categorizada em função da classe social à que cada quem pertence, gera inevitavelmente desigualdade. Essa desigualdade gera, pola sua vez, protestos nos setores sociais mais desfavorecidos e nos mais conscientes que, por vezes, não são precisamente os mais desfavorecidos. "Não sei se dizer que a violência está inserida no gênero humano até a raiz, mas acredito que qualquer sociedade arranjada em camadas e categorizada em função da classe social à que cada quem pertence, gera inevitavelmente desigualdade"O poder, em geral o Estado, que se atribui gratuitamente o monopólio da violência, em troca de reagir escutando esses protestos, analisando o que neles há de justiça, reage com violência, o qual agrava o problema, gera mais frustração e afasta a solução. Neste sentido, as atuais democracias, que eu prefiro chamar "sistemas de liberdades formais", com "formais" sublinhado, respondem perfeitamente a este esquema, utilizando intermitentemente, quando se precisar, a violência física e de maneira ininterrupta o que poderíamos qualificar, usando a nomenclatura do poder, "violência de baixa intensidade", concretizada na pressão constante dos "meios de dominação", não de comunicação, porque o que se diz comunicar, pouco comunicam, limitando-se, em qualquer caso e atendendo à sua própria definição, a porem em circulação o que é comum. Além da constante construção de "relatos" antidemocráticos, os meios de dominação de massas falsificam a realidade com manipulações, mentiras e após-verdades. Neste sentido a série "A voz mais alta / The loudest voice", reflete magnificamente, através da análise da figura de Roger Ailes, que foi agressor sexual e diretor de Fox News —carregos que desenvolvia simultaneamente com grande solvência— o processo posto em marcha pola direita "democrática" norte-americana para se perpetuar no poder e torcer as vontades, como demonstra paradigmaticamente hoje o presidente Donald Trump. Como em 'Palavras a Espártaco', existem alguns conceitos que tornam, pondo-os em maiúsculas, constituindo-se em símbolos. Como o Tempo, o Anjo ... Servem para apoiar o relato de eventos políticos —o movimento social contra o terror, por exemplo— mas muitas vezes adquirem um significado que, para mim, é existencial (não existencialista): a passagem do tempo, a angústia, a consciência da morte ... Existe algo disso no poemário? (Eu também acho que há ai um significado individual e coletivo, talvez polo rumo tomado por aquela geração depois de 68, ou melhor, polo mundo depois de 68 ...) Com efeito, Montse, assim é. Porque no texto, como antes sinalei, convivem aspetos que pertencem à esfera da objetividade, da política, da sociedade, feitos de cuja existência real temos conhecimento preciso, lugares, datas concretas, protagonistas com nome e apelidos, conjunturas que, por dizê-lo com as palavras do físico irlandês do XIX, Lord Kelvin, podemos contar, medir ou pesar. E, ao pé deles, existem outras circunstâncias que, sendo igualmente reais, pertencem ao território do pessoal afetivo, do intangível e são, portanto, projetadas através da subjetividade que precisam a articulação simbólica ou imaginária: o Tempo, o Anjo, o Clamor, o Silêncio, o Ocaso, o Horror. "Não podemos contar, medir o pesar a intensidade do ódio, o amor, o medo, a amizade, a angúria, uma cheia de variáveis, como ti dizes, existenciais que só se podem deduzir por métodos indiretos, sendo passíveis de sofrerem erros de apreciação"Não podemos contar, medir o pesar a intensidade do ódio, o amor, o medo, a amizade, a angúria, uma cheia de variáveis, como ti dizes, existenciais que só se podem deduzir por métodos indiretos, sendo passíveis de sofrerem erros de apreciação. Neste sentido, como che dizia antes, acham-se no livro as relações entre o coletivo e o pessoal, entre a reflexão em exterioridade e em interioridade, autobiográfica. Não vejo, porém, como ti apontas, que a relação entre o individual e o coletivo tenha a ver com os rumos posteriores tomados polas pessoas daquela "geração" (utilizamos este termo para nos entender) nomeadamente porque a ficção que constitui '1968' está escrita "como se" o Autor estivesse a viver, efetivamente, em 1968: o tempo é do presente (do "presente" de 1.968, entende-me) e fala-se dos acontecimentos que acontecem "ontem", onde "os amores espargem-se", "a Morte dorme o sonho [e] "moribunda, desvirgina cadáveres ou assassina espectros", "o camarada presidente resume a Longa Marcha", "nos valados emergem alfabetos herméticos" e assim por diante, com o verbo esmagadoramente sinalando o presente. Outra cousa é a avaliação que seja possível fazer das trajetórias posteriores dos membros dessa "geração", em geral marcadas pola deserção, o abandono ou o interesse pessoal, mais isso já é farinha doutro saco.Há bastante no livro da crônica da aprendizagem literária, que também era política. E o próprio diálogo que o livro estabelece com múltiplas referências culturais achega-o a isso que tendemos a entender como "culturalismo". Que pensas ti do adjetivo "culturalista" aplicado à geração de autores dos anos 80 e, em particular, à tua própria poesia?Pois verdadeiramente, pões-me numa situação bem difícil, porque não sei que contestar. E não o sei porque estou profundamente confuso com o próprio emprego do termo "culturalismo". Mas vejo-me na obriga de contestar a tua pergunta e vou tentar fazê-lo, provavelmente cometendo graves erros conceituais. Primeiramente, penso que haveria que pôr em quarentena o assunto de "geração" que, teimo, utilizamos para nos entender e para definir o conjunto de pessoas que começam a publicar a fins da década dos 70 e começos dos 80. Porque, imos ver, que tem a ver Forcadela com Pexegueiro? Que tenho eu a ver com Ramiro Fonte?. Penso que a própria utilização do termo "culturalista" contem uma certa quota pejorativa, depreciativa, da mesma maneira que a tem o qualificativo de "venezianos" ou "barroquizantes" querendo, imagino eu, outorgar-lhe aos membros desse coletivo atitudes que têm a ver com o amaneirado, o esnobe ou a afetação. E agora que estamos a falar deste ano e com relação a isto, não seria mais preciso falar desse grupo de poetas como "geração do 68"?. "Penso que a própria utilização do termo "culturalista" contem uma certa quota pejorativa, depreciativa, da mesma maneira que a tem o qualificativo de "venezianos" ou "barroquizantes"Por outra parte, acho que as referências cultas são algo inerente a uma parte importante da poesia na que incluo, naturalmente, a poesia galega. Porque vejamos: Pondal é um poeta culto ou culturalista? E Álvaro Cunqueiro? A mim sempre me surpreendeu que a geração galega dos 80 fosse qualificada de "culturalista" e poetas da Europa ou América com uma matéria cultural e uns referentes culturais esmagadores na sua obra nunca se lhes qualificasse com esse termo. Seja como for, insisto, este é um tema que a mim particularmente nunca me interessou porque não o cheguei a entender mui bem, do que, como conseqüência, conheço pouco e do que, como che dizia, não tenho uma opinião demasiado formada porque acho que é, essencialmente, um debate nominalista. Um dos elementos com os quais o livro trabalha é, claro, a História. Há uma grande quantidade de dados a esse respeito. No final, há um agradecimento a Milagros Becerra por permitir que ti consultasses o seu arquivo pessoal. Mas suponho que ti terás utilizado muitas outras fontes para lembrar feitos históricos. Quais são?Bem, eu tenho, ignoro o porquê, renome de ser pessoa com memória prodigiosa, quando a verdade é que a minha memória, sem chegar a ser de peixe, acha-se infinitamente mais perto da vulgaridade que do prodígio. O único arquivo sistemático que li do 68 foi o de Milagros Becerra, que compartilhara aqueles momentos de há mais de meio século, e a quem nunca agradecerei bastante a generosidade de pôr ao meu dispor o seu arquivo, magnífico por certo, que contem as folhas informativas do estudantado de Ciências. Polo demais, não acudi praticamente a nenhuma documentação, tirando, como é lógico, as datas concretas. "O processo de documentação que segui posso dizer que foi mínimo, porque preferi que a minha memória, seletiva como todas, lembrasse o que puder"O processo de documentação que segui posso dizer que foi mínimo, porque preferi que a minha memória, seletiva como todas, lembrasse o que puder. Como compreenderás, vários anos de militância política, de estada numa cidade, de vivências pessoais, de ilusões e medos, fornecem, por pouca memória que um tenha, matéria de abondo para escrever um livro de poemas. Por outra parte, e esta é uma opção pessoal, tão discutível como qualquer outra, não sou partidário, nem em poesia nem em narrativa, de grande trabalho de registro e inventariado de circunstâncias e feitos que, em muitas ocasiões, ocultam a literatura substituindo-a polo arquivo, o documento ou a simples redação. Essa mesma posição é com a que enfrentei o relato curto, como no caso de 'Os xenerais de África' ou a novela, quer 'Os nomes da morte', quer 'Os espellos do tempo'. Ainda partindo, como che dizia, da minha escassa capacidade de resgate do passado e as lembranças do mesmo, confio que a minha mente não me atraiçoe até o extremo de esquecer dados essenciais. Depois, sobre o lembrado, acrescentando ficção, exageros ou, como sinala Álvarez Cáccamo no seu ajuizado Prólogo a '1968', procedendo com ferramentas literárias que envolvem a metáfora, a alegoria, a colagem a que ti te referias, a identificação com outras figuras da literatura como Gregor Samsa, a invenção e transposição de circunstâncias ou lugares (o texto do '26 de setembro' em realidade é uma anedota referida polo meu amigo da infância, César Sáenz, ocorrida longe de Compostela), ou a acumulação é como estão construídos os meus textos. "O acontecimento de 1968 mudou radicalmente a minha visão do mundo e uma mudança tão radical constitui por ela própria, cinqüenta anos depois, quando se produziu um processo de decantação, de mitificação, de fascínio, material suficiente para ser convertido em matéria poética"Poderá-che parecer surpreendente e, se calhar, estás a pensar que o que levo dito não faz mais que dar-lhe a razão a quem acredita na minha excelente memória, mais devo dizer que o acontecimento de 1968 mudou radicalmente a minha visão do mundo e uma mudança tão radical constitui por ela própria, cinqüenta anos depois, quando se produziu um processo de decantação, de mitificação, de fascínio, material suficiente para ser convertido em matéria poética. Esta, como tenho afirmado, é a minha conceição da literatura e nela acredito. Não negarei que muitas destas propostas têm a ver com a imagem fotográfica. De certos eventos ocorridos há meio século guardo apenas uma imagem, como se for uma instantânea, por dizê-lo em linguagem coloquial. Consciente, como assevera um teórico da imagem, Jacques Aumont, de que não há imagem sem linguagem, depois de constatar que o número de palavras escritas por mim só sobre fotografia deve andar ao pé do meio milhão, reconheço que adquiri algum engenho para converter uma imagem em texto, nomeadamente se essa imagem foi vivida por mim e ajudado, claro está, por isso que chamamos o "ofício"Diz Xabier Paz no limiar de 'Palavras a Espártaco' que as túas 'obsessões' poéticas são a reconstrução do mito, a passagem do tempo, a injustiça inerente do poder, a rebelião como um correlato disso, e a morte. Todos eles podem-se atopar em '1968', que foi publicado alguns anos depois. Concordas que estas são as tuas "obsessões" poéticas?"Entre estes aspetos estão o que chamaria a preocupação pola língua empregada a qual vejo, no panorama atual, profundamente maltratada, até o ponto de existirem textos que se visam como se fossem escritos em espanhol"Conviria precisar aqui que com Xabier Paz, amigo pessoal a dia de hoje, iniciei a amizade justamente nos tempos, já afastados, de 1968. Foi Xabier quem me animou a retomar a escrita, que eu começara à idade de 15 anos e abandonara por motivos que não são relevantes neste momento. Os dous, unidos pola militância poética e por outras, trocávamos poemas, entre outros lugares, num bar avarento da Avenida de Lugo, onde hoje toma o nome de Romero Donallo. Quero dizer com isto que Xabier Paz é uma das pessoas que melhor conhecem a minha escrita e as minhas preocupações —que prefiro a 'obsessões'— poéticas e vitais e, nesse sentido, acho que tem muita razão, o mesmo que acho a lucidez do Limiar a que te referes. Eu completaria a descrição acrescentando os aspectos formais aos que, em parte, há pouco me referi. Entre estes aspetos estão o que chamaria a preocupação pola língua empregada a qual vejo, no panorama atual, profundamente maltratada, até o ponto de existirem textos que se visam como se fossem escritos em espanhol e, depois, passados polas goelas dum tradutor automático de má qualidade, aspetos com os que a norma atual colabora eficazmente. Em segundo lugar, a busca de precisão conceitual, na esteira do pensamento de Christa Wolf ou do enunciado há já séculos por Confucio no sentido da necessidade de as palavras enunciarem com fidelidade o nosso pensamento. "A literatura é, também, e isso é preciso tê-lo mui presente, uma questão formal ou por dizê-lo em palavras de quem temos falado nesta conversa, Pepe Cáccamo, uma questão de estilo"A literatura é, também, e isso é preciso tê-lo mui presente, uma questão formal ou por dizê-lo em palavras de quem temos falado nesta conversa, Pepe Cáccamo, uma questão de estilo. Depois há algo que tem a ver com o ritmo da frase, seja poema em verso, seja em prosa, seja prosa poética, seja narração. O ritmo é uma questão essencial no texto literário. E, finalmente, para não te aborrecer, a preferência pola frase longa, que se contorce sobre si própria, com numerosas subordinadas, com um discurso que apresenta a fasquia do que não tem fim e que —intuo— aprendi da frase caudalosa de certa literatura alemã e dos vagarosos e intermináveis rodeios dos nossos camponeses —cujo tempo não se mede nas unidades habituais— e que, em certa medida, reproduz a minha própria maneira de falar, todo isso dirigido à consecução duma unidade textual compacta.Denunciaras um problema de censura, por uma questão de normativa, em relação a 'Palavras a Espártaco'. Como foi?Eu apresentara o meu livro 'Palavras a Espártaco' ao prémio Victoriano Taibo, escrito na norma do galego internacional, dado que as Bases do concurso não especificavam, como ocorre noutros prémios, qualquer normativa concreta. Dá-se a circunstância que a mim me une uma grande amizade, que se alastra ao longo de quarenta anos, com a pessoa que, na altura, dirigia o Instituto de Estudos Miñoráns, entidade que convocava o prémio. "Do meu ponto de vista os problemas com que nos enfrentamos na questão normativa são dous: um de natureza democrática e ética e outro de feitio hipócrita"Polas casualidades que a vida nos depara eu, o mesmo dia do falho, combinara com esta pessoa um encontro para falar, ainda que não estou certo, de alguma questão relacionada, penso, com uma palestra sobre fotografia no IEM. Na conversa, comentara-me o problema ao que se tinha que enfrentar o Instituto, já que o prémio (e agora penso que cito literalmente) "o ganhara uma pessoa com uma obra escrita em português (sic)". Na seguinte convocatória o IEM mudou as Bases do prémio para impedir de maneira estrita a participação de qualquer pessoa que não seguisse a norma ILG-RAG. Eu procedi à denúncia publica num artigo publicado na imprensa digital. Do meu ponto de vista os problemas com que nos enfrentamos na questão normativa são dous: um de natureza democrática e ética e outro de feitio hipócrita. O primeiro envolve o desprezo duma sentença do Tribunal Superior de Justiça de Galiza na que se especifica que ninguém pode ser discriminado pola grafia que emprega, cousa que não cumprem setores que repetem a eito que a lei há que cumpri-la. O segundo é, como não há muito escrevi na imprensa, que membros notabilíssimos de importantes editoriais galegas ou integrantes da própria Academia Galega pensam que a adoção da norma internacional só acarretaria vantagens para o galego, chegando a dizer nalgum caso, literalmente, que "a perspectiva reintegracionista tem razão". "Acho que a proposta bi-normativista é, de todas as possíveis, a saída mais democrática, aberta e que menos prejudica"Eu não vou revelar nunca os nomes das pessoas às que me refiro porque as suas opiniões são o resultado de conversas privadas, mas se essas pessoas atuarem em conseqüência, fariam —penso eu— um grande favor a um idioma acossado, sem por isso prejudicarem o mais mínimo a norma atual que, do meu ponto de vista, trabalha incansavelmente para achegar o galego ao espanhol. Nunca vem mal a leitura do clássico de John Stuart Mill no que atinge a tolerância. Nesse sentido, acho que a proposta bi-normativista é, de todas as possíveis, a saída mais democrática, aberta e que menos prejudica. Que seja o tempo e o conjunto de setores implicados quem decidam o futuro da norma escrita do galego. "Suicídas" mortos pola falta de morada na Grécia, imigrantes também assassinados polo abandono no deserto ou no mar, moradores de rua em Vigo, pessoas expulsas das suas casas polos bancos... Os protagonistas de 'Palavras a Espártaco' são os deserdados, os subordinados. E os deserdados dos titulares da imprensa atual (o livro é de 2015, mas a situação é a mesma), aparecem nos poemas ao lado dos heróis e mártires da História e da mitologia, da antiguidade até hoje. Suponho que é uma maneira de dizer que a exploração, o sofrimento e o abuso de poder são os mesmos, mália pensarmos que vivemos num mundo "civilizado". É assim? Por que essas conexões entre a atualidade, a História ou a mitologia?Com efeito, como antes sinalei, qualquer sociedade disposta em camadas gera diferenças e, depois, sofrimento, depauperação e, no limite, morte. Embora o Poder e os seus os alto-falantes dizerem que a crise se acha em caminho de ser ultrapassada, em realidade as diferenças sociais aumentam e o projeto do capitalismo é instalar na sociedade uma crise contínua porque com a mesma, como se pode ver, os benefícios da banca e outros setores seguem a medrar. "Embora o Poder e os seus os alto-falantes dizerem que a crise se acha em caminho de ser ultrapassada, em realidade as diferenças sociais aumentam"Sobre a convivência no mesmo texto de heróis e mártires da História e da mitologia, não deixa de ter interesse o feito de a crise atual nascer na Grécia, nesse lugar onde, segundo afirma o lugar comum, nasceu também a nossa civilização. Neste sentido, resultava tentador e, acho, mesmo didático estabelecer paralelismos no que a heroísmo e a sofrimento se refere entre os antigos heróis, e heroínas, gregos e os atuais. A Grécia, um pais pequeno, combateu, derrotou e foi derrotado polo Persa e os topónimos de Maratona, Salamina ou as Termópilas ficam na história e, dum ponto de vista mítico, poético, é possível compararmos a Grécia atual enfrentada à troika e à União Européia e haverá topónimos, como a Praça Syntagma que ficarão para sempre na memória da resistência e do enfrentamento com os poderosos. A Grécia clássica forneceu-nos de heróis incontestáveis, como Ulisses, Penélope ou Aquiles, mas também de personagens caracterizados pola sua, praticamente infinda, capacidade de sofrimento, na esteira dos heróis que atualizam cada dia a dor, como são os casos paradigmáticos de Prometeu ou Sísifo. Todas estas circunstâncias operavam em prol de estabelecer relações entre a antiguidade e a atualidade gregas. No que atinge a Espártaco, a sua figura, representando os escravos, os deserdados dos que ti falavas, que ousa desafiar a mais potente maquinaria bélica na altura, já alcançara valores míticos, em primeiro lugar pola reconstrução biográfica feita —no cárcere, paradoxos do destino— por Howard Fast e, mais tarde, no cinema, por Stanley Kubrik, para além da projeção da sua figura em distintas pólas da arte, como a música ou a escultura, ou da política, de cujo exemplo a Liga Espartaquista é um caso de renome. Espártaco é neste livro símbolo da rebelião dos deserdados. Em '1968' é o movimento social antifascista a força que se opõe ao Mal, que em "Palavras a Espártaco" também aparece simbolizado: o Rata, o Vampiro ... Nesse sentido, mesmo às vezes pode até parecer que "Palavras a Espártaco" é um livro mais otimista, no sentido de confiança no potencial da Rebelião, que '1968'…. Ou talvez seja a minha impressão, suponho que por causa das atmosferas opressivas, muitas vezes perto do pesadelo, que recria '1968'. De qualquer forma, quiseste transmitir uma sensação de confiança na revolta?Começarei por isto último: partindo, como argumento preliminar, que, para mim, a forma é a que articula o meu compromisso ético com a literatura, eu sempre tento transmitir na minha escrita, seja esta a que for, poética, narrativa, ensaística, um conjunto de idéias, que mudam de intensidade ou importância segundo os casos e entre as quais sobranceiam: a necessidade de confiança nas próprias forças, a determinação na procura dum objetivo e, como conseqüência deste, a posta em prática do que se poderia chamar a ética da não cessão e a possibilidade, sempre, de vitória num confronto, seja este do tipo que for. "Penso que a força da gente é infinita e que se não se concretiza numa sociedade mais livre, mais justa ou mais igualitária é quer porque a coletividade não está convencida deste feito, quer porque os indivíduos põem por diante princípios egoístas"Penso que a força da gente é infinita e que se não se concretiza numa sociedade mais livre, mais justa ou mais igualitária é quer porque a coletividade não está convencida deste feito, quer porque os indivíduos põem por diante princípios egoístas e aplicam o célebre axioma de "o que venha detrás que arree". Dito isto, tenho de reconhecer que os dous títulos dos que me falas, 'Palavras a Espártaco' e '1968' são mui diferentes na sua formulação por motivos não tanto de texto como de contexto. "Palavras a Espártaco' é, essencialmente, um livro sobre a crise, a dor e a morte causadas por assassinos de luva branca e, polo tanto, reflete sobre a contemporaneidade, sobre o instante no que se está escrevendo."O primeiro é, essencialmente, um livro sobre a crise, a dor e a morte causadas por assassinos de luva branca e, polo tanto, reflete sobre a contemporaneidade, sobre o instante no que se está escrevendo. Um livro, segundo comentávamos há pouco, que começa, não por acaso, em Grécia, no desfiladeiro das Termópilas e termina avisando que o "Persa ameaça de novo" enquanto Espártaco, o fio condutor do discurso poético, caminha entre corredoiras, carvalheiras, peliqueiros, castros ou cruzeiros, quer dizer, sem sombra de dúvida, entre as terras da Galiza. É, como digo, essencialmente um texto, como se sinala no posfácio, norteado pola ira, a raiva, o ódio e o desprezo, que opta, formalmente, polo verso clássico alexandrino que se mantém da primeira à derradeira linha, querendo fornecer uma idéia de unidade, a qual se combina com a de universalidade, alicerçada nos quase 250 topónimos, de distintas geografias e épocas, que aparecem no texto. Um texto cuja redação demorou pouco tempo, uns sete meses, de não demasiada extensão, umas 6.000 palavras e de não excessiva complexidade. Pola sua parte, '1968' é um texto que rumina (emprego este termo intencionadamente) e debulha feitos ocorridos há meio século, em plena ditadura, feitos que vivera quem escreve e que operaram uma transformação profunda no seu interior e que se redigem, isto é importante, desde o passado que é, naquela altura, presente. Trata-se dum texto que combina poemas "strictu sensu" com poemas em prosa e textos estritamente narrativos, onde se superpõem escritas que lembram crónicas com outras de natureza lírica e mesmo algumas de feição quase filosófica que, por vezes, explicam distintas unidades do próprio texto, num exercício metapoético, um texto cuja redação demora mais de três anos e cuja extensão se situa por volta das 20.000 palavras. Para além do dito, existem as notas de rodapé que enviam a textos originais, fotografias, reportagens fílmicos, fragmentos de filmes, citações variadas, todo o qual converte '1968' num texto mais complexo, que alguém caracterizou de 'apos-moderno'. Não sei se 'Palavras a Espártaco' é um livro mais otimista. Imagino que isso dependerá das distintas subjetividades quando se achegarem à sua leitura. Estou de acordo contigo que existem em '1968' atmosferas opressivas, perto do pesadelo, concretizadas em situações sonolentas como aquelas onde o autor se identifica com personagens de Kafka, ou aquelas noites nas que espera, com angústia, a visita da Brigada Político-Social franquista ou quando, concretizada já a sua detenção, se acha numa cela, provida duma janelinha que periodicamente os policias abrem, fazendo que se sinta observado por olhos entomólogos. A questão basilar é que a ditadura construiu essa atmosfera de Terror, concebida, naturalmente, para as pessoas que se opunham a ela. Também comenta Xabier Paz que talvez em 'Palavras a Espártaco' quisesses engadir claridade com respeito aos poemários anteriores. Nos versos há monarcas caçando elefantes, dignitários a passearem em iates com narcotraficantes, corvos do Vaticano, curas violadores, presidentes espanhóis criadores de guerras ... Assim, o mal é um símbolo, mas também é incorporado por personagens muito reconhecíveis. Foi uma tentativa de buscar claridade, ou não necessariamente?Como che comentava antes, 'Palavras a Espártaco' é um texto que nasce do ódio, da ira e, em certo modo, da urgência e da necessidade expressiva criada por um período limite, por uma era que, do meu ponto de vista, mostra o esgotamento económico, político, social, cultural, ético e estético do capitalismo, sem olharmos uma perspectiva de mudança, de substituição do modelo. Isto último para mim não constitui obsessão nenhuma, porque os trocos, historicamente, não avisam, aparecem sempre sem serem esperados e são de qualquer natureza, agás a esperável. "Palavras a Espártaco' é um texto que nasce do ódio, da ira e, em certo modo, da urgência e da necessidade expressiva criada por um período limite"Se me deixas fazer uma parêntese, mais bem o que a mim me preocupa é a posição duma fração mui ampla da esquerda que, até onde eu chego a ver, renunciou a reconsiderar a situação atual do capitalismo e a procurar, dentro da tradição histórica e de luta da própria esquerda, soluções para uma sociedade que mudou de maneira radical nos últimos cinqüenta anos e para a que, porém, seguem a se formular propostas antigas de mui escassa efetividade. Neste sentido acho de grande interesse um artigo de há algum tempo de Xavier Campos que recomendava a leitura do livro de G. Lakoff, "Politica moral". Independentemente da surpresa que hoje em dia causa que um político recomende a leitura dum texto político (cousa que deveria entrar no território do habitual) fiquei impressionado pola referência a Lakoff. Com efeito, Lakoff é um lingüista (a propósito, com um livro seu traduzido ao galego, "Non penses nun elefante") que nos lembra feitos de importância: primeiro, como esse amplo complexo movimento norte-americano que vai da direita à extrema direita e que abrange do Partido Republicano á National Rifle Association e do Tea Party ao Ku Klux Klan, compreendeu, há mais de meio século, como as classes populares e trabalhadoras agem e votam, numa grande medida, em contra dos seus próprios interesses e, segundo, como fatores emocionais como a tradição, a família ou a identidade, quer dizer os territórios simbólico e imaginário, constituem uma parte essencial da escolha e ação política destes mesmos setores. "O que a mim me preocupa é a posição duma fração mui ampla da esquerda que, até onde eu chego a ver, renunciou a reconsiderar a situação atual do capitalismo e a procurar, dentro da tradição histórica e de luta da própria esquerda, soluções para uma sociedade que mudou de maneira radical nos últimos cinqüenta anos"Esse pensamento, essa dedicação à construção de "relatos" que com tanta habilidade constrói a direita (porque leva meio século estudando a sua construção) não tem, do meu ponto de vista, uma resposta ajeitada desde a esquerda, cujas receitas levam sem atualização décadas. Afastei-me da tua pergunta e volvo a ela. Não é que eu desejasse engadir claridade, senão que a minha subjetividade interagindo com uma situação social na que estavam a estilhaçar muitas cousas (o livro leva um subtítulo significativo, 'Diálogos para um tempo de fratura') produziu um resultado que, como sinala Xabier Paz, é mais claro. Penso que isto demonstra, mais uma vez, a fusão, a solidariedade existente nos textos entre forma e conteúdo. O conteúdo pareceu exigir-me essa forma e às avessas. Quanto à forma, em 'Palavras a Espártaco' há um claro predomínio dos versos longos construídos por acumulação, por encadeamento de estruturas sintáticas que se repetem e produzem no leitor um sentimento não só de desacougo, mas de abafamento, de angústia ... É como uma tentativa de bater no leitor para espertá-lo, por uns instantes, do consentimento da injustiça, à qual também contribui. Essa escolha desse jeito de escrita tem a ver com isso ou não? Como che comentara antes, formalmente 'Palavras a Espártaco' está alicerçado sobre uma única forma métrica, o alexandrino, que percorre os quase novecentos versos que constituem o texto no qual, como ti insinuas, multiplicam-se os encavalgamentos. A permanência deste metro ao longo de todo o texto confere-lhe unidade, de tal maneira que se poderia considerar o livro um único poema no que, se desejássemos, poderíamos considerar diferentes apartados, constituídos polos distintos poemas. Esta opção também procura construir, não sei se vou ser quem de explicá-lo, um contraponto, desde a forma, ao conteúdo. "Tentei opor a um texto profundamente político uma forma, se me permites o jogo de palavras, profundamente poética, no sentido mais clássico do termo"Quero dizer que tentei opor a um texto profundamente político uma forma, se me permites o jogo de palavras, profundamente poética, no sentido mais clássico do termo. Certamente, esta escolha também tem as consequências que ti enuncias: a repetição da fórmula alexandrina opera como uma ladainha —o qual, ao mesmo, tempo, fornece ao texto uma maior dose de narratividade— e possivelmente faça aparecer essas sensações de desacougo, abafamento e angústia das que falas. Mas, se voltas atrás a aqueles dias, a situação era exatamente geradora desses sentimentos nas pessoas que tivessem um mínimo de sensibilidade: suicídios diários não só na Grécia. A terceira parte do livro —Antro(to)ponímia da imolação— passa revista a uns poucos lugares onde a gente se suicidou, a milheiros, Atenas, Penhafiel, Vigo, Córdova, Basauri, Barakaldo, L'Hospitalet, Alacant, Porto Garibaldi, Torino, Nápoles, Valência, Las Palmas e muitos mais, pessoas mortas por enforcamento, por arma de fogo, esnafradas da janela para o chão, lançadas aos trilhos do comboio, eletrocutadas, carbonizadas como bonzos, enquanto Mariano Rajoy fumava charutos, Rato roubava e a Gürtel e a Púnica, a Pokemon e a Campeón iam a toda máquina. Perante esta situação, que outra cousa poderia refletir o texto? Um texto no final do livro explica que, em face da monstruosidade do Real, manifesta-se a incapacidade da palavra, e só fica a poesia (a metáfora), para expressar a raiva. Poderia ser um resumo do que é toda a tua poesia e não só deste livro?Tem-se dito muitas vezes que a poesia é uma forma de dizer oblíqua, um tiro por elevação, um caminho indireto, como se a poesia tentasse a cotio a subversão do enunciado "a distância mais curta entre dous pontos é a linha reta". Valente, a quem leio com paixão desde há quase meio século, afirma que ciência e poesia são duas maneiras de operar de maneira complementária sobre a realidade, sendo, portanto, a segunda um método de conhecimento baseado, contrariamente à ciência, num caráter único, não legislável, que pesquisa sobre a fugacidade e a não repetição, que não busca o enunciado de leis. No texto final que citas de 'Palavras a Espártaco' refiro-me ao Real, no sentido que Lacan dá a este termo: aquilo que se resiste a ser definido, simbolizado, representado e, com efeito, a realidade que gera este Real, que é monstruoso, só fica a possibilidade de exprimi-la por meio do poema. Isto no que atinge à situação que emerge a partir da queda de Lehman Brothers e da crise de 2008, que produz uma paisagem onde existem, num extremo, desesperação, pobreza, fome, suicídio e, no outro, seguindo a Naomi Klein e à "teoria do choque", enriquecimento, ledice, expectativas de negócio e esbanjamento. "Em geral, a minha motivação essencial, em qualquer tipo de escrita, é a pesquisa, a aquisição de conhecimento, a procura da precisão, o esclarecimento de feitos e a expressão das cousas da minha contorna"Dito isto, não penso que esta perspectiva de incapacidade da Palavra esteja presente em toda a minha poesia. Penso que, polas circunstâncias que concorrem na sua gênese e das que já falamos, é em 'Palavras a Espártaco', onde a ira é o motor que norteia a redação, o lugar onde se manifesta com maior claridade esta questão. Em geral, a minha motivação essencial, em qualquer tipo de escrita, é a pesquisa, a aquisição de conhecimento, a procura da precisão, o esclarecimento de feitos e a expressão das cousas da minha contorna, as que ficam perto de mim, fazendo-o da maneira o menos convencional possível. Essas são as minhas intenções, ainda que ignoro até que ponto sou quem de conseguir os objetivos que me proponho.
NOS_4688
Na Galiza existen máis de 700 persoas portadoras nas prisións; porén só 10 teñen acceso á medicación prevista no Plan estatal para a abordaxe do VHC.
O 28 de xullo foi a conmemoración do Día Mundial contra a Hepatite C. Unha data na que a Plataforma galega de persoas afectadas polo VHC quixeron aproveitar para reclamar o dereito da poboación reclusa a acceder, coas debidas garantías, aos tratamentos contra esta doenza. Cumpridos 100 días desde a aprobación por parte do Ministerio español de Sanidade do Plan estatal para a abordaxe da Hepatite C, desde o colectivo avaliaron "con dor" como "aspectos cruciais do mesmo "non foron nen sequera postos en andamento". Neste senso, Quique Costas, voceiro da plataforma, asegurou en declaracións á Cadena SER o pasado 15 de xullo que teñen detectado "dous incumprimentos" no que o propio Plan sinalaba como "fundamental". Dunha banda, até o momento non se ten iniciado a elaboración dun censo estatal de doentes. Aliás, un dos colectivos sinalados como "poboación preferente" no acceso aos tratamentos --a poboación reclusa-- non o está a ser embora sinalar a existencia dun "risco de transmisión moitísimo máis alto". Na Galiza o número de persoas privadas de liberdade no interior das prisións cífrase, segundo os dados achegados polo Ministerio do Interior, en 3803. De entre elas, o 21,3%, isto é, máis dunha de cada cinco, está infectada polo VHC. Unha estatística que ascende 13 veces á ratio que atinxe a poboación non recluída (1,6%). A ratio de infección é 13 veces maior entre a poboación reclusa onde o 21,3% é portadora do VHC Segundo os dados fornecidos pola Plataforma galega de persoas afectadas pola Hepatite C, por volta de 700 reclus@s serían portador@s do virus. Porén, "esas persoas non teñen, na práctica, acceso aos novos tratamentos que tan traballosamente conquistamos", sinalan. Segundo Quique Costas a plataforma só ten constancia de que "dez reclusos" estean a ser tratad@s da doenza. Así as cousas, recoñece que é "complicadísimo" acceder aos dados reais por mor da "falta de transparencia" coa que actúan Institucións Penitenciarias e o Ministerio do Interior. Entre as razóns polas que impiden o acceso da poboación reclusa doente de hepatite C aos tratamentos atópase o conflito administrativo xerado entre o Servizo galego de saúde (Sergas) e a Sociedade española de saúde penitenciaria (Seps) dependente de Institucións Penitenciarias e do Ministerio do Interior. O problema, din, é quen debe facer fronte ao custe dos tratamentos. Perante o conflito administrativo o TSXG ditou sentenza o 20 de maio obrigando o Sergas a asumir o tratamento facendo prevalecer o dereito á saúde sob intereses económicos Así as cousas, unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) con data do 20 de maio de 2015 resolve o conflito en relación cun interno ao que lle foi suspendido o tratamento. Segundo a máxima instancia xudicial galega o Sergas debe facerse cargo do mesmo --incluso existindo conflito-- ao non poder prevalecer o interese económico sob o dereito á atención sanitaria. Perante o fallo, desde a plataforma de afectad@s polo VHC exixen que a Xunta "acate sen máis dilacións" o contido da mesma e, ao tempo, "demandamos da Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias" que "cese na medida disuasoria e prexudicial para os internos de proporlles o seu traslado a dous penais de Madrid, afastándoos durante períodos de entre 3 e 6 meses das súas familias, se queren que se lles administren eses fármacos". Desde o colectivo lembran que "como dicía Concepción Arenal hai máis de 150 anos, só desde o respecto á condición humana das persoas en prisión, o castigo pode estar lexitimado e é posíbel a súa reinserción". Neste senso, denuncian a realidade que atinxe a poboación reclusa oculta "tras os muros construídos para evitar a súa saída ao exterior", mais tamén, para "impedir ver o que sucede detrás deles". Cumpre lembrar que o Parlamento de Galiza instou a Xunta hai tres meses a reclamar a transferencia da sanidade penitenciaria ao Sergas através dunha iniciativa promovida pola deputada do Grupo Mixto, Chelo Martínez. A proposición demandaba, aliás, a dotación dos medios económicos e materiais necesarios para "atender a suficiencia dinámica" que exixa a prestación do servizo dentro das cadeas, así como, incorporar a poboación reclusa ao Plan estratéxico de abordaxe da Hepatite C. No número 146 do semanario en papel Sermos Galiza publicou unha reportaxe a dupla páxina intitulada: O que agochan os muros das prisións na que afondamos sobre a situación que atinxe a poboación reclusa nas cárceres galegas, nomeadamente na Lama (Pontevedra) e Teixeiro (A Coruña).
PRAZA_7778
O PSdeG reclama a destitución dos responsables dos informativos da canle pública polas informacións sobre o presunto financiamento irregular do PP. Feijóo sae en defensa de Rajoy e asegura ter como única certeza que o ex tesoureiro conservador tiña 22 millóns en Suíza.
"Manipulación", "presións", "intervencións acotío", "prácticas especialmente penosas e vergoñentas" que se "agravaron nos últimos meses por mor dos diversos casos de corrupción, como o chamado caso Bárcenas". O pasado mércores o comité de empresa da TVG expresábase nestes termos para denunciar as condicións nas que teñen que realizar o seu traballo informativo, unha carencia de "liberdade" que vai a máis en tempos complexos para o partido do Goberno, o PP. Vinte e catro horas máis tarde de que o persoal da canle pública lanzase esta alerta o caso chegou xa ao Parlamento. Foi a través do PSdeG, cuxa voceira na materia, María Quintas, esixe a destitución "inmediata dos responsables dos servizos informativos" pola "burda manipulación do caso Bárcenas", pero tamén explicacións en sede parlamentaria do máximo responsable do ente, o seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo. "A publicación dos papeis do ex tesoureiro do PP" devolveu a TVG "aos peores tempos de manipulación informativa", di Quintas, que expuxo ante a prensa diversos "exemplos" das súas críticas. A saber; na xornada en que o diario El País publicou a presunta contabilidade oculta dos populares a súa portada foi "censurada na revista de prensa do espazo Bos Días". O mesmo día, di, a TVG non recolleu as declaracións nas que o presidente do Senado "recoñecía que recibira 5 millóns de pesetas" que figuraban nas supostas anotacións de Bárcenas. En días seguintes este mesmo caso foi "degradado" por tras doutras novas como "os problemas dun barco holandés" ou mesmo se "meteu no mesmo saco a entrega dos papeis por parte de El País á Policía e a sospeita de falsidade deses papeis segundo o xornal Periodista Digial". "Tan só por esta manipulación tiñan que ter dimitido ou destituído o equipo directivo dos informativos da TVG", di Quintas. O PSdeG recolle as denuncias do persoal da TVG e denuncia a "burda manipulación" e "censura" dos medios públicos no caso Os socialistas coidan que a TVG está "máis ca nunca, ao servizo do PP" e por iso coida que "non é de estrañar" que o comité de empresa reclame a inmediata aplicación da nova lei dos medios públicos, pactada polo propio PSdeG cos populares na pasada lexislatura e que aínda está sen desenvolver. E, que di o PP? A través dun comunicado remitido aos medios e non atribuído a ningún dirixente concreto do partido os conservadores rescataron os "tempos do bipartito" para asegurar que durante o mandato do Goberno de coalición a Televisión de Galicia era "líder en manipulación" e agora é "líder de audiencia". A CRTVG está, segundo o PP, "a cumprir de modo axeitado o seu papel de servizo público, baixo os parámetros de calidade e pluralismo"e son "plurais e neutrais", algo que, ao seu xuízo, veñen "confirmando as resolucións das Xuntas Electorais durante os últimos períodos electorais". Cando a TVG era "un instrumento electoral" era "nos tempos do bigoberno", sentenzan, nun contexto no que, non obstante, o PP evita entrar a valorar o tratamento informativo do caso Bárcenas nos medios públicos. Feijóo, en defensa de Rajoy e contra Bárcenas Ao tempo que os socialistas manifestan que os medios públicos galegos informan sobre o caso Bárcenas baseándose na doutrina que máis lle convén ao PP en xeral e ao PP galego en particular, dende San Caetano o presidente da Xunta aproveitaba as preguntas da prensa sobre o asunto para seguir asentando esa mesma doutrina. Para Feijóo "todo é dubidoso, agás un dato: que parece ser que [Bárcenas] tivo unha conta en Suíza de 20 millóns de euros". Sobre os papeis, coida que "paga a pena que se despexe a autoría do documento fotocopiado, se a fotocopia se corresponde ou non con ese presunto orixinal, que se despexe cando se escribiu ese presunto orixinal e esas presuntas fotocopias, se o contido é veraz ou non". Feijóo cre que "todo é dubidoso" agás a conta en Suíza de Bárcenas e sitúa a Rajoy como "referencia da rexeneración democrática" Mentres en Madrid volven sitúar a Feijóo como un dos mellor colocados para ascender aos ceos de Génova no caso de que Rajoy non resista a treboada, o titular da Xunta tenta navegar entre as revoltas augas internas saíndo precisamente na defensa de Rajoy. Poucas horas despois de que Esperanza Aguirre retornase tras non marchar de todo para reclamar unha "rexeneración democrática" Feijóo asegura estar absolutamente "a favor" desa rexeneración, pero cun matiz: ao seu xuízo, quen a debe liderar é o propio Rajoy, xa que "non creo que poida haber un presidente que crea máis na rexeneración democrática que o señor Mariano Rajoy". "A referencia da rexeneración é Mariano Rajoy", enfatiza. Neste contexto, Feijóo fai un chamamento xenérico á "responsabilidade" mentres fai tamén equilibrios para non mergullarse en exceso na outra fronte aberta do seu partido, a situación política da ministra de Sanidade, Ana Mato, cuestionada por asegurar que xa non estaba casada co ex alcalde de Pozuelo de Alarcón, Jesús Sepúlveda, cando este recibiu, presuntamente, cartos e agasallos da rede Gürtel. A combinación dun informe policial e dunha nova da axencia Colpisa viñeron desmentir a ministra, que supostamente segue casada en réxime de gananciais con Sepúlveda. Ante este caso, Feijóo asegura querer "que a Xustiza aclare esta cuestión", se ven advirte de que "a quen se investiga é ao ex marido" e "as mulleres non son responsables dos que fan os seus maridos, e supoño que os maridos non serán responsables dos que fan as súas mulleres". En todo caso, evidencia, "correspóndelles aos xuíces aclarar este lío monumental que vivimos hai semanas, que afecta a todos cidadáns", admite.
PRAZA_20060
"O uso do galego favorece os resultados e obxectivos empresariais" e "pode xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade", di o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico, no que Política Lingüística se xuntou con diferentes entidades sociais e económicas
"Máis galego na economía e na empresa". Tras un bo número de anos co foco posto no eido cultural e, moi especialmente, no ámbito do ensino, nos últimos tempos os proxectos encamiñados á normalización lingüística volven ollar cara a un dos eidos nos que o uso do galego en condicións de igualdade con outros idiomas atopa aínda un bo número de dificultades: o económico e empresarial. Recollendo o testemuño de experiencias como o Foro Enrique Peinador, que dende hai máis dunha década desenvolve iniciativas neste ámbito, naceu o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico, un proxecto cun horizonte de catro anos (2016-2020) no que, ao contrario doutras ocasións, Política Lingüística optou por sentar na mesma mesa á Administración, a entidades económicas e tamén a organizacións de defensa do galego como A Mesa pola Normalización Lingüística. Empresas de sectores tan diversos como o lácteo, o dos transportes ou o audiovisual e entidades do eido económico como Anfaco, a Asociación Galega de Áridos ou o Club Financeiro de Santiago implicáronse nas primeiras xuntanzas dun plan que se propón cubrir un déficit mediante o "aumento da presenza do galego no ámbito económico e empresarial". A xuízo de todas estas organización é posible, se Política Lingüística ofrece a súa colaboración, "crear conciencia de que o uso do galego favorece os resultados e obxectivos empresariais" e mesmo tamén "as relacións laborais". Obxectivos máis ou menos xenéricos como "estender o uso da lingua galega" tanto "na oferta como na demanda de produtos e servizos" ou o uso do idioma propio de Galicia para "impulsar unha imaxe de marca diferencial propia" do país e os eus produtos "vinculada á calidade é a innovación" desenvólvense nun documento de 125 páxinas que vén concretar obxectivos avalados polo Parlamento hai máis dunha década, cando viu a luz por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Aplicalos, admite a Administración, "pode xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade". "O uso do galego favorece os resultados e obxectivos empresariais" e "pode xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade" Estes obxectivos concrétanse nun paquete dunha vintena de "medidas xerais", como o "apoio á creación de redes de empresas para o fomento do galego", a "promoción do galego na etiquetaxe de produtos", o "desenvolvemento e difusión de bases terminolóxicas das diferentes ramas profesionais" ou a estabilización da celebración do Día da Galeguidade Empresarial para tornala "nunha data de referencia no mundo da empresa en Galicia". Xunto aos propósitos globais o plan contempla obxectivos específicos para unha decena de sectores: hostalería, comercio, alimentación, tecnoloxía, construción e inmobles, banca, asesoramento e intermediación, axencias de publicidade, relacións laborais e cooperativismo. A oportunidade da lusofonía O proxecto apóiase nos preceptos da Lei Paz Andrade, aprobada por unanimidade en 2014 a partir dunha iniciativa lexislativa popular Ademais do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega este proxecto apóiase tamén nunha norma máis recente, a Lei Paz Andrade, aprobada en 2014 no Parlamento tamén por unanimidade a partir dunha iniciativa lexislativa popular. Nesta liña, o proxecto aposta pola "promoción e posta en valor das vantaxes do galego como lingua que abre as portas" aos países de fala portuguesa, o que implica unah "vantaxe competitiva" para o tecido socioeconómico do país. Neste sentido o paquete de medidas detense nun dos sectores que nos últimos anos, mesmo antes do propio plan, xa avanzou cara á lusofonía como fiestra de oportunidade: o das tecnoloxías da información e da comunicación. Neste sentido, as medidas para o sectro TIC inclúen "información dos beneficios que proporciona o galego na proximidade á clientela" dentro de Galicia, pero tamén como "lingua que abre as portas ao mercado lusófono".
PRAZA_21028
O "descontento" de boa parte do sector hostaleiro coas veteranas asociacións provinciais provocou o nacemento dun novo colectivo a nivel galego que representa xa unhas 2.000 empresas dun sector duramente golpeado pola COVID.
Impulsada por Hostalaría Compostela, Hoempo (Asociación de Hostaleiros de Pontevedra, Poio e Marín) e Shostalería da Coruña, a pasada semana viu a luz a Plataforma en Defensa da Hostalaría Galega (PDHG), que aglutina xa unhas 2.000 empresas do sector e busca "ser un instrumento áxil e eficaz para xestionar o actual momento de crise que atravesa". Como alternativa ás veteranas asociacións provinciais, a PHDG busca ser o xermolo dunha futura Federación de Hostalaría Galega, e os seus promotores non agochan o seu malestar cunha representación á que acusan de "fragmentación, debilidade organizativa e un marcado carácter presidencialista". Falamos con Lois Lopes, un dos voceiros do novo colectivo dun ámbito económico golpeado con dureza pola COVID. Na presentación da nova plataforma manifestaron o seu descontento coas actuais federacións provinciais ou outros colectivos que din representar o sector...Si, hai descontento. Entendemos que o que había ata agora era unha representación parcial que, ademais, non cumpre o obxectivo de representación do sector. Son unha parte, que non excluímos e da que non cuestionamos a parte de representatividade que teñen, pero non representan o conxunto do sector. Consideran que estas asociacións provinciais ou outras entidades son demasiado proclives ao Goberno autonómico?Supoño que non porque as asociacións non teñen unha inclinación ou non deberían tela. O que si é constatable é que teñen unha actitude pasiva e conformista coas medidas e propostas pola Xunta e que non son nada exixentes. Iso dígoo claramente. Agora ben, son do PP? Nin idea. As asociacións non son de nada, aínda que os representantes das asociacións teñan as súas inclinacións, pero o que queda claro é que hai unha actitude pasiva e compracente coas solucións que se propoñen e que non son as axeitadas para o conxunto do sector. "As asociacións provinciais teñen unha actitude pasiva e conformista coas medidas propostas pola Xunta e non son nada exixentes"Pretenden se representativos dunha maioría do sector?Todos os días hai chamadas para unirse ao proxecto, que entendemos que debe ser amplo desde o punto de vista territorial e plural desde o punto de vista da variedade e das diferenzas que hai na hostalería galega, que ten unhas especificidades propias do país, dende o avellentametno ata a dispersión, pasando polas microempresas familiares, outras complementarias da economía familiar... Iso non ten parangón no resto do Estado, é algo que pasa aquí. Cre que as axudas das Administracións non tiveron en conta, precisamente, as múltiples variedades dentro do sector?No primeiro programa das mal chamadas axudas por parte da Xunta de Galicia --que chaman así para non falar de indemnizacións porque iso conlevaría recoñecer o dano feito--, houbo un café para todos e ese non é o obxectivo. Dentro da crise que hai no sector, hai empresas con maior e menor vulnerabilidade e temos que atender as empresas con máis problemas. Aquí non se trata de repartir 4.000 euros para todos e só en base a un criterio de diminución de ingresos. Hai que utilizar máis criterios. Non é o mesmo ter un alugueiro que non telo, ter un local en propiedade que non telo, ter unha hipoteca que non tela ou ter 20 traballadores que ter un... Nese caso tamén se ralentizarían as axudas ao atender a cada caso particular.Precísase unha orde con respecto á documentación esixida que permitía axilizar todo o máximo posible, pero non resolve nada axilizar se non consegues o obxectivo de chegar ás empresas con maior vulnerabilidade e manter o maior número de empresas posibles e os postos de traballo que crean. "O primeiro plan de indemnizacións da Xunta foi un café para todos e ese non é o obxectivo; hai que usar máis criterios que o da diminución de ingresos"A plataforma fala dunha "xestión nefasta" por parte da Xunta, mentres o Goberno galego adoita falar do éxito das súas axudas.Nós presentamos un plan de rescate no mes de novembro onde as indemnizacións eran un punto máis do conxunto. As indemnizacións de forma directa deben ser un complemento de liquidez inmediata para evitar a quebra das empresas, pero deben ir acompañadas doutro tipo de medidas de carácter lexislativo que supoñan un plan a medio prazo para salvar o sector. Non chegan as indemnizacións, claro que non chegan, tampouco desde o punto de vista económico. "A historia da Xunta de que foi o goberno que primeiro deu axudas directas ou o que máis deu desmóntase rapidamente"Pois a Xunta di que é a administración que máis axudas directas dá ou mesmo que foi a primeira en dalas.Desmontamos rapidamente esa historia da Xunta de que foi o goberno que primeiro deu e o que máis dá. En breve faremos públicos os datos que demostran que, en relación ao PIB, ao número de axudas por locais ou a outros criterios, Galicia nunca está no primeiro posto entre as comunidades autónomas.Decepcionounos a Xunta?Cando presentamos o plan de rescate, unha das cousas que lle pedimos foi que liderase as nosas reivindicacións ante as administracións competentes. Había competencias propias da Xunta e outras do Goberno central, pero non se prestou a facelo. Non estivo nin está á altura das circunstancias. Que me di do resto das administracións?Aí cada realidade é distinta, pero a situación na que estamos agora mesmo ten unha responsabilidade directa que é a da Xunta de Galicia. Nós podemos opinar sobre as decisións que se toman, pero se tomas decisións con determinadas consecuencias, tes que facerte responsables delas. Intentar facer responsables a outras administracións que non son directamente responsables non é lóxico. Todas as administracións deben axudar na medida do posible, pero a responsabilidade é da Xunta. "A situación da hostalería agora é responsabilidade directa da Xunta, que debe facerse responsable das consecuencias e non facer responsables a outros"A idea dun fondo común entre Xunta, deputacións e concellos acabou fracasando. Que lles parecía a idea?Non nos parece mal, pero xa víamos cando se anunciou que ía ter dificultades de encaixe, máis cando se fai do día á noite. Sabemos que a Deputación da Coruña mandou en abril unha comunicación á Xunta para iniciar as conversas no mesmo sentido e non houbo resposta ata estes días, o que nos fai concluír que a Xunta quitou isto nesta altura de maneira oportunista. En todo caso, o que non poden facer as administracións é facerse pasar por vítimas cando as vítimas somos nós. Confía en que ese plan conxunto chegue algún día?Sabemos que un plan así necesita un tempo e agradécense as posturas que manteñen a porta aberta para esa colaboración entre administracións. Tampouco nos parecía mal a idea de que cada unha delas puxese o 1% do orzamento, aínda que entendemos que para algúns concellos o esforzo é máis grande do que lle causa á Xunta, con máis de 11.000 millóns de orzamento, pero tamén creo que é o momento de estar coas persoas e as empresas. Ao final non é cuestión de que non haxa cartos senón de decidir prioridades. Que agora cada administración xestione as súas axudas non suporá un problema burocrático engadido?Nalgúns sitios será un problema e noutros, unha oportunidade. Por exemplo, os cartos que pon a disposición da hostalería o Concello de Santiago superan con moito ese 20% que propoñía a Xunta baseándose no modelo valenciano; de feito, roldan o 50% do que puxo a Xunta ata o momento. Cada administración é un mundo, pero mesmo co plan do Goberno galego houbo dificultades en canto á axilidade necesaria. Denuncian que a hostalería foi sinalada aínda que é certo que as restricións no sector adoitan provocar a redución nos contaxios a medio-longo prazo...Discrepo. Os datos que hai sobre contaxios na hostalería son ínfimos e, por exemplo, hai moitos máis nos colexios, aínda que todos sabemos que a escola tamén cumpre cun labor de conciliación para o resto da economía. A hostalería pechouse a 9 de xaneiro e os contaxios seguiron subindo ata que se tomaron medidas máis drásticas noutros sectores. Logo, atribúese esta terceira onda ás celebracións do Nadal, pero estas celebracións non foron na hostalería, que pechou decembro cunha diminución de ingresos do 70 ou do 80% respecto ao mesmo mes do ano pasado. A hostalería é un ámbito máis onde se producen contaxios. "Se decides pechar a hostalería, perfecto, pero hai que indemnizar; non se pode pechar a cero euros"Pero non é a hostalería un espazo onde hai máis risco?Nós sempre dixemos que canto máis se restrinxe a nosa actividade, máis se producen actividades do mesmo tipo en ámbitos privados sen ningún tipo de garantías. Logo hai unha cuestión: na cidade de Lugo non se celebrou o Nadal? Porque os datos son radicalmente distintos ao doutras cidades semellantes. Daquela, non será só cousa da hostalería ou das celebracións. Evidentemente, a hostalería é un factor importante de mobilidade, pero se decides que a vía para cortar a mobilidade é pechar a hostalería, perfecto, pero hai que indemnizar. O que non se pode pechar é a cero euros. Outro caso curioso é o de Madrid, que non pechou a hostalería e non tivo unha evolución no número de casos moito peor á doutras cidades das súas características, como Barcelona, que si a pechou. Xa que logo, hai dúbidas sobre o que se di da hostalería. O que si parece é que tomar medidas na hostalería produce a sensación de que se está a facer algo, pero un ano despois non podemos apelar sempre á responsabilidade individual cando as administracións non fixeron colectivamente nada. A responsabilidade individual ten unha parte, pero debe haber unha colectiva e case que pasa polo reforzo das infraestruturas sanitarias, tanto humanas como físicas.
PRAZA_17305
O historicamente infravalorado oficio de traducir, dado que o tradutor se limita simplemente a poñer nunha determinada lingua un texto escrito noutra, merece unha reivindicación
O historicamente infravalorado oficio de traducir, dado que o tradutor se limita simplemente a poñer nunha determinada lingua un texto escrito noutra, merece unha reivindicación, pois modestamente opino que un tradutor é en esencia un reescritor e xamais un simple, ou excelso –tanto ten–, copista dun texto con outras palabras. A importancia do seu labor –nunca dabondo recoñecido–, ao que debemos o coñecemento e mais a literatura universais, fica a miúdo pouco destacado, ou mesmo en ocasións oculto, coma se fose irrelevante saber quen traduciu o texto que que se le, pois o resultado sempre sería o mesmo. Idea errónea de vez, como se pode comprobar a seguir coa tradución do fragmento final do relato A caída da casa Usher de E. A. Poe feito por diferentes tradutores: O historicamente infravalorado oficio de traducir, dado que o tradutor se limita simplemente a poñer nunha determinada lingua un texto escrito noutra, merece unha reivindicación A caída da casa de Usher: tradución de Ricardo Terco para "O relato fantástico", 1995. Ir Indo Edicións, Vigo. [...]. O resplandor viña da lúa chea, vermella coma o sangue, que brillaba con toda a súa forza coándose pola fenda tan difícil de ver antes, e da que dixera (que) baixaba en ziguezague desde o tellado da casa ata os alicerces. Mentres isto fitaba, paralizado polo pasmo, a fisura abriu moito máis; daquela chegou unha ventada do remuíño e o disco do satélite estalou diante dos meus ollos. O meu entendemento estivo a piques de se derrubar cando vin os muros caer para os lados. Houbo un longo e aparatoso batifondo, como o ruído da auga de mil fervenzas a caer batendo unhas contra as outras, e o profundo e escuro lago foi pechándose aos meus pés levando consigo os últimos restos da casa dos Usher. A caída da casa Usher: tradución de Equipo Tris Tram para "Contos de Edgar Allan Poe", 1996. Editorial Tris Tram, Lugo. [...]. O resplandor procedía da lúa chea, vermella coma o sangue, que brillaba con intensidade a través daquela fenda antes case imperceptible e da que xa expliquei que se estendía en zigzag desde o tellado do edificio ata a súa base. Mentres a contemplaba, aquela fenda ensanchou rapidamente...; veu unha forte lufada do turbillón...; ante os meus ollos apareceu de súpeto a lúa con todo o seu círculo...; crin perder o sentido ó ver os poderosos muros derrubándose...; houbo un longo e tunultuoso rebumbio, como a voz de mil mares...; e, ós meus pés, o profundo e corrompido estanque pechouse sombrizo e silencioso sobre as ruínas da "CASA USHER". A caída da casa Usher: tradución galega de Eva Almazán para "Edgar Allan Poe: Contos completos", vol. 1, 2009. Editorial Galaxia, Vigo. [...]. O resplandor era o dunha Lúa chea que, ao pórse na madrugada, tinguida de sangue, refulxía con intensidade a través daquela fenda que apenas fora distinguible, e que segundo expliquei partía do tellado do edificio e percorría a fachada, en zigzag, ata os alicerces. E ante os meus propios ollos a fenda ancheou con rapidez, e o remuíño de vento lanzou un violento refacho, e a totalidade do orbe satelital quedou de súpeto á vista, e a miña mente sacudiuse ao ver que os potentes muros viñan abaixo con estrondo, e sentiuse un clamor longo e atropelado como a voz de moitas augas, e a charca fonda e lidrenta que se abría aos meus pés cerrouse de súpeto, en total silencio, sobre o entullo da Casa Usher. A caída da casa Usher: tradución de Carlos Acevedo para "O gato negro e outros contos de horror", 2014. Ediciones Vicens Vives, Madride. […]. O resplandor proviña da lúa chea, sanguenta no seu ocaso, que agora brillaba vivamente a través da fisura case imperceptible, da cal xa falei antes, e que desde o tellado do edificio descendía formando un zigzag até a base. Mentres a observaba, a fenda foi abríndose rápido…; por ela pasou un feroz refacho de vento, e o orbe completo do satélite ficou exposto de súpeto ante os meus ollos. A miña mente estremeceuse mentres contemplaba como os rexos muros se esboroaban…; oíuse un tumultuoso berro, como a voz de mil fervenzas…; e a profunda e neboenta lagoa aos meus pés asolagou en tristura e silencio os restos da CASA USHER. Como vemos, aínda que o concepto que tiramos do fragmento é, ou debería ser, o mesmo en todos, a forma en que nos chega esa noción é diferente, nuns casos algo e noutros bastante, e podemos amosar preferencia por uns ou outros, porque a estilística é parte fundamental de toda obra literaria. Con todo, malia que o texto orixe (The Fall of the House of Usher, 1839) era exactamente o mesmo para todos os fragmentos: [...]. The radiance was that of the full, setting, and blood-red moon which now shone vividly through that once barely-discernible fissure of which I have before spoken as extending from the roof of the building, in a zigzag direction, to the base. While I gazed, this fissure rapidly widened –there came a fierce breath of the whirlwind –the entire orb of the satellite burst at once upon my sight –my brain reeled as I saw the mighty walls rushing asunder –there was a long tumultuous shouting sound like the voice of a thousand waters –and the deep and dank tarn at my feet closed sullenly and silently over the fragments of the "House of Usher". O resultado foi diferente nas catro traducións por mor de que os diferentes tradutores fixeron unha reescritura do texto orixinal na lingua de destino. Se o labor o efectuara un programa tradutor –é moi posíbel que nun futuro próximo haxa programas capaces de dar un resultado satisfactorio– o resultado sería sempre o mesmo, mais ao se tratar dun traballo feito por persoas, a percepción que cada tradutor tivo do texto orixe e as súas preferencias no uso da lingua galega marcan as claras diferenzas e confirma que houbo un indiscutíbel labor de reescritura nos textos meta. Acho que o traballo a prol do galego que están a facer os tradutores é fundamental e tan importante como o dos mesmos escritores na tarefa de fixar un modelo de lingua estándar, mormente culta Por exemplo, examinando só a frase final vemos que dank tarn, literalmente " pequeno lago de orixe glacial –o que en aragonés se denomina "ibón"– frío e húmido –pois este adxectivo reune ambos os conceptos–", foi traducido como: "escuro lago", "corrompido estanque", "charca lidrenta" e "neboenta lagoa"; e que ningún fixo unha tradución literal –quizais imposíbel neste caso–, pois todos optaron por unha, máis ben, sensorial, emotiva, quizais metafórica. Acho que o traballo a prol do galego que están a facer os tradutores é fundamental e tan importante como o dos mesmos escritores na tarefa de fixar un modelo de lingua estándar, mormente culta, e divulgar toda unha enorme cantidade de recursos léxicos e morfosintácticos, moitas veces recuperándoos do galego máis enxebre, entre os utentes do noso idioma. Reivindico que o nome do tradutor deba figurar sempre na portada de toda tradución –algo que non sempre sucede–, sempre por debaixo do autor xaora, como un dereito innegábel E reivindico que o nome do tradutor deba figurar sempre na portada de toda tradución –algo que non sempre sucede–, sempre por debaixo do autor xaora, como un dereito innegábel, pois ao cabo eles desenvolven un trazo estilístico tan evidente nos seus traballos coma o de calquera escritor galego. Publicidade
PRAZA_13253
A europarlamentaria do Bloque, Ana Miranda, defende a iniciativa como representante da ALE, grupo no que se integra tamén Esquerra
ERC, co apoio doutros grupos, levará a Bruxelas unha proposición de lei sobre o dereito de autoderminación dos pobos se finalmente non sae adiante no Congreso. A formación catalá xa presentou onte nas institucións comunitarias o documento, apoiado pola europarlamentaria do BNG, Ana Miranda, que foi quen recibiu en Bruxelas o republicano Alfred Bosch como representante da Alianza Libre Europea (ALE), da que é voceira e na que están integrados tanto o Bloque como Esquerra. "Solicitaremos unha xuntanza co presidente da Comisión, José Manuel Durao Barroso, para presentarlle esta proposición de lei sobre a libre determinación dos pobos", explicou Ana Miranda, que defenderá tamén a iniciativa, que se fará a través de ALE, grupo do que é voceira. "A competencia neste caso é do Estado, pero a intención é ir presentando a iniciativa a nivel europeo", explica a europarlamentaria do BNG, que aclara que xa mantiveron reunións con membros do PNV, grupos galeses, escoceses, corsos "e incluso un deputado do Partido Popular Europeo pertencente á minoría húngara de Romanía". "A proposta é coincidente cos principios do BNG" A proposición, que será presentada no Congreso dos Deputados e que foi onte adiantada "de xeito simbólico" no Parlamento Europeo é "coincidente cos principios do BNG", aínda que aínda non foi debatida na fronte. "O Bloque apoia todo o que sexa a defensa da libre decisión dun pobo sobre o seu futuro político", advirte Miranda, que confía en que a proposición se comece a tramitar no Congreso a finais do verán. O voceiro de ERC no Congreso, Alfred Bosch, xa advertiu de que se fracasa a vía "bilateral" e de "diálogo" no ámbito español, a súa formación pensará nas "instancias europeas" e na opción "unilateral" para buscar a independencia de Catalunya. "Viñemos a Bruxelas porque a xente ten que ter dereito a decidir o que quere para o seu país, pero, sobre todo, porque cremos que este tema acabará en instancias europeas", subliñou. ERC levará a proposta á UE "se fracasa a vía bilateral e de diálogo" no Estado A iniciativa é perfectamente viable para Bosch porque, aínda que haxa partidos "dinásticos" que non dean o seu apoio, existen "tratados internacionais de obrigado cumprimento, subscritos por España, que recoñecen este dereito". O deputado catalán defende esta iniciativa en tempos de crises xa que "precisamente é onde se xeran as oportunidades". "Estamos diante dunha crise de época, de sistema, como puido ser a do desastre de Cuba ou a Guerra Civil e, como naquela época, debemos reformularnos se é este o sistema que queremos", sinalou. Bosch recibiu tamén o apoio dos eurodeputados de Convergéncia i Unió (CiU), Ramon Tremosa, e de Iniciativa per Catalunya Verds (ICV), Raül Romeva. Ademais, tamén recibiu o apoio de Amaiur.
NOS_18260
O debate bipartidista vaise realizar, após ser aprazado polo asasinato da presidenta da Deputación de Léon, esta quinta feira 15 de maio (22.30 h). Mais Rodri Suárez imaxinou xa o debate e tráenolo en bandexa de prata, permítannos esta chiscadela a Billy Wilder.
Madrid. Estudos centrais de televisión española. Moito foco e cámara. Unha mesa branca, grande como para un batallón, pero na que só hai tres persoas. Están pactados os tempos e a temática a tratar, por bloques. Á dereita, o candidato europeo do PP, Miguel Arias Cañete. Á esquerda, mais con tendencia a moverse sempre face á dereita, a candidata do PSOE, Elena Valenciano. No centro, a moderadora, María Casado, unha desas persoas ás que a Televisión Española introduce no ocultismo para non envellecer xamais. Un cartel ao fondo di: Debate Europeas 2014. O rexedor baixa a man. Comeza. Presentacións de rigor. Arrinca a cousa. -Moderadora: Tal e como se chegou a acordo entre ambas formacións, o debate comezará cun bloque.... -Arias Cañete (ameazador): Quedamos en que non se dixera esa palabra!!! -Moderadora: Perdón? -Arias Cañete (autoritario): A palabra que acaba de dicir, esa non, que non se diga. -Moderadora: Bloque? -Arias Cañete (agora como asustado): Tssssss. Cale, cale. -Moderadora: Ah, ben. Pois imos co... apartado? -Elena Valenciano (sorrinte): Iso é como temos aos nacionalistas, apartados, he, he, he... -Moderadora (faciana de resignación): Entendo. Voulles pedir a súa opinión sobre a Unión Europea, un balance e tamén cara onde cren que debe camiñar. Se queres coñecer todo o contido do debate... cóntamoscho no Sermos Galiza nº96, xa na rúa
NOS_4719
As accións dos produtores amplíanse a Lalín, Vilalba, Sarria ou Monforte. Ademais de Carrefour e Alcampo, tamén se protestará ante áreas comerciais de Lidl, Eroski e DIA. Na cidade lucense centos de persoas manifestáronse en apoio ao sector.
Os gandeiros xa anunciaran que as mobilizacións que encetaban o pasado 10 de decembro eran con carácter indefinido, ata lograr uns prezos xustos para o leite. Esta segunda feira, quinto día de mobilizacións, os bloqueos e protestos esténdense e intensifícanse. É moito o que está en xogo, lembran os produtores, que insisten en que mentres se lles pague o litro de leite por baixo dos 27 céntimos (os custos de produción superan os 33) están cunha corda ao pescozo. Até agora os focos do protesto concéntranse en Lugo (centos de tratores en torno á muralla) e A Coruña (no Carrefour e Alcampo). A partir desta segunda feira, e impulsadas pola Plataforma en defensa do sector lácteo galego, esténdese a outras localidades: Lalín, Silleda, Monforte e Sarria, como indican desde 'Campo Galego'. Procederase a bloquear áreas comerciais de DIA, Eroski e Lidl, para denunciar que non se cumpren nin os mínimos establecidos no acordo asinado o pasado mes de setembro. O exemplo que máis irrita os produtores é que os entre 4 e 6 céntimos que aumentaron o prezo do leite algunhas supercicies non foi para que eses cartos chegasen aos gandeiros, senón que ficaron nos petos das áreas comerciais. En Lugo, e convocados por Agromuralla, centos de persoas marcharon pola cidade exixindo prezos xustos para o leite e o cumprimento do acordo asinado en setembro. Imaxes manifestación Lugo: @revistaafriga
NOS_18070
O investigador Carlos Babío, coautor do libro Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, foi denunciado polos netos e netas do ditador Francisco Franco por inxurias e calumnias. Estaba citado para un acto de conciliación na mañá da segunda feira nun xulgado de Madrid. Non acudiu. Explícalle as razóns a Sermos Galiza.
O Xulgado de 1ª instancia número 44 de Madrid contaba con acoller ás 10 horas desta segunda feira un acto de conciliación pola denuncia interposta polos herdeiros do ditador Francisco Franco contra Carlos Babío, coautor do libro Meiras. Un pazo, un caudillo, un espolio. Finalmente, ficou suspendido. O investigador negouse a acudir, "eu non teño nada que conciliar cos Franco", sinala en conversa con Sermos Galiza. Babío, ex concelleiro do BNG en Sada e integrante da candidatura nacionalista ás eleccións municipais de maio, foi demandado xunto ás persoas que participaron no programa En el punto de mira, emitido pola cadea Cuatro en xullo de 2017 e que se dedicou a investigar a orixe do patrimonio e herdanza da familia Franco. "Pídenme que me retracte das inxurias e calumnias que entenden que proferín, mais nada máis lonxe. Ratifícome en todo o que dixen", salienta Babío, quen asegura que segue a traballar "para resgatar a memoria". Novo libro Adiántalle a Sermos Galiza a publicación dunha nova obra sobre o pazo de Meirás, "afondaremos moito máis na época dos 36 veráns que pasou o ditador en Sada, o período que vai do ano 39 ao 75". A nova publicación, afirma, explicará "por que en 1979 o pazo remata en mans da familia Franco, cando tiña que pasar a formar parte do patrimonio nacional, ao sufragar todos os gastos que se produciron alí". "Daremos conta de por que Meirás non pasou a mans do Estado como si pasou o Palacio de El Pardo, por exemplo", conclúe o investigador. A partir das súas investigacións, condensadas no primeiro dos libros, tanto a Deputación da Coruña como o Parlamento de Galiza abriron dúas investigacións que remataron en sendos informes solicitando ao Estado español que interveña no espolio pola vía xudicial para recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público.
NOS_28005
O Comité Clínico podería aprobar nesta terza feira a ampliación da capacidade a 100% a nivel xeral, agás no lecer nocturno.
A Xunta agarda recuperar "100%" da capacidade na hostalaría a nivel xeral, agás en ámbitos concretos coma o lecer nocturno, no momento en que perda a vixencia a emerxencia sanitaria declarada na Galiza hai máis de 19 meses, unha decisión que abordará o Comité Clínico nesta terza feira. Así o adiantou este domingo o vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda, quen recoñeceu que a situación sanitaria "mellorou" nas últimas semanas grazas á vacinación. "Hai que seguir sendo prudentes, mais o lóxico é que xa non teñamos esas restricións tan duras", afirmou, ao tempo que confiou en que a fin da emerxencia sanitaria supoña "non un retorno total á vida anterior, mais si algo semellante". Alén de recuperar 100% da capacidade nos bares e restaurantes "en moitos casos", as persoas expertas tamén poderían dar vía libre ao uso das barras dos bares, que hoxe só se poden utilizar nos locais do nivel 2 de restricións. Lecer nocturno A respecto do lecer nocturno, Rueda lembrou que a comezos de outubro se activou un novo protocolo, e confiou en que se poida ampliar tanto o horario —até as 4 horas da madrugada se exixen o certificado Covid— como a capacidade —até 75% no interior—. Deste modo, os pubs e discotecas poderán experimentar un novo alivio das medidas, malia que se seguirán notando "nunha porcentaxe mínima". Certificados Covid Noutra orde, sobre a posibilidade de ampliar a petición do certificado Covid a outros sectores, o vicepresidente mostrouse a favor porque "dá unha seguridade para ter unha vida normal en moitos aspectos", mais lembrou que a medida precisa dun aval xudicial. Así as cousas, a Xunta non prevé, polo de agora, mudanzas no uso da máscara, xa que as pautas están marcadas a nivel estatal. Nos interiores, dixo Rueda, manterase a obrigatoriedade "como chamada á prudencia". "Mentres sexa preciso, creo que é unha molestia mínima comparada co que tivemos que pasar", engadiu.
NOS_31520
Adega dá a coñecer os resultados das análises encargadas pola asociación das augas dos ríos Portapego e Pucheiras que drenan a antiga mina de Touro. Os metais tóxicos sobardan todos os límites, e iso coa mina parada...
Os regatos Pucheiros e Portapego, afluentes do Ulla, teñen una importante carga de metáis lixiviados, que superan os máximos fixados pola normativa. Unha "bomba" ambiental, pois tamén hai metais que son bioacumulativos, tenden a concentrarse nos tecidos vivos ao longo de toda a cadea trófica, polo que antes ou despois acabarán provocando alteracións fisiolóxicas e xenéticas. Algo a ter moi en conta porque as augas destes regos chegan a través do Ulla, á Ría de Arousa, una importante zona marisqueira e pesqueira. Esta é a denuncia que fai Adega, a asociación ambientalista que vén de dar a coñecer os resultados das análises que encargou sobre as augas de regos que drenan a antiga mina de Touro, explotación que quer reactivar unha multinacional. O pasado 28 de novembro membros de Adega e a plataforma 'Mina Touro O-Pino Non' recolleron as mostras de auga. "Cumprindo cos protocolos de recollida, as mostras foron convintemente etiquetadas e remitidas a un laboratorio homologado para realizarlles un panel completo de metáis". Resultados Segundo informa Adega, os resultados mostran unha importante carga de metais lixiviados. Nalgúns elementos de até 6 veces por riba da media anual que fixan as NCA (Normas de Calidade Ambiental, Real Decreto 817/2015). Noutros casos (aluminio, ferro, manganeso) os valores superan as recomendacións da OMS (Guías de calidade da auga) e os criterios sanitarios para a auga de consumo (Real Decreto 140/2003). "O resultado destas análises confirma o agardado para unha instalación mineira, hoxe inactiva, e que non acometeu os preceitivos labores de restauración", indican desde a Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (Adega). Como consecuencia e durante anos, aseguran, millóns de metros cúbicos de augas carregadas de metais tóxicos estiveron escoando dende as instalacións mineiras á bacía do Ulla. Tanto Adega como a Plataforma "Mina Touro-O Pino NON" exixen a Augas de Galiza e á Consellaría de Medio Ambiente que denegue a autorización para o novo proxecto mineiro e depure as oportunas responsabilidades pola continua contaminación das augas producida durante anos.
NOS_37459
Un equipo de investigación sinala as políticas forestais centradas na extinción, sen ter en conta que os propios lumes xeneran paisaxes "máis inflamábeis e propensas a sufrir grandes incendios".
Un equipo de investigación integrado por persoal da Universidade de Santiago de Compostela e mais da Universidade do Porto propón a "xestión intelixente" dos incendios para atallar un problema que cada ano afecta á Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés. Esta modalidade "ten como obxectivo controlar o réxime de incendios a través de intervencións na configuración da vexetación que favorezan paisaxes mais resistentes e resilientes ao fogo, ao tempo que aseguren a conservación da biodiversidade e dos servizos ecosistémicos", como explica o coordinador do traballo, Adrián Rego. O estudo empregou modelos matemáticos de acordo con distintas estratexias de xestión do territorio para o período 2020-2015, analizando os seus potenciais efectos nos incendios e outros factores como a dispoñibilidade de hábitats para as aves, anfibios e réptiles do parque. "Demostra como políticas agrícolas que protexan e favorezan as actividades agropastorais nesta zona, revertendo a actual tendencia de abandono rural. poderían reducir ata un 50% (10.000 hectáreas) as áreas afectadas polos grandes incendios forestais previstos entre 2030 e 2050 de acordo co réxime de incendios histórico", expón o doutor Regos Fracaso das políticas O equipo sinala os efectos do cambio climático e mais o abandono das actividades silvopastorais como algunhas das causas que explican o "crecente impacto dos incendios dos incendios forestais nas paisaxes do sur de Europa", afectando especialmente a Galiza e mais ao veciño Portugal. Tamén as políticas forestais actuais, que se centran "na supresión inmediata, sen ter en conta o papel fundamental que o fogo como proceso exerce nos ecosistemas, o que paradoxicamente favorece a acumulación de 'combustible' e a unha transición cara paisaxes mais inflamables e propensos a sufrir grandes incendios forestais". Desde comezos de 2020 a reserva do Gerês-Xurés xa ardeu en dúas ocasións, nos meses de febreiro e marzo, con 3,5 hectáreas afectadas en total. Mais a área ten sufrido sinistros moito máis graves, como o de outubro de 2017, en plena vaga de incendios, que calcinou 650 hectáreas deste parque nacional e a presenza de lumes nos municipios que o conforman é periódica.
PRAZA_10122
O que é asumíbel prós séculos XII, XIII e XIV non o é prós séculos anteriores, onde o galego-portugués soamente pode ser denominado como "galego medieval"
Hoxe parece indiscutíbel que a lingua medieval xurdida por evolución do latín na parte occidental da antiga provincia romana de Gallaecia –dado que na oriental xurdiu o que hoxe denominamos "asturleonés"– reciba o nome de "galego-portugués", porque dela xurdiron á súa vez as modernas linguas galega e portuguesa –ou variantes dunha única lingua galego-portuguesa pra algúns lingüístas–. Aínda que o Lusismo galego debería negar, por coherencia, esta denominación que se contradí coa inexistencia dunha lingua galega que non recoñece: Academia Galega da Língua Portuguesa.A lingua formouse a partir do s. VIII, coma o resto das linguas romances, pro o primeiro texto conservado data de finais do s. XII, moi posterior ao seu desenvolvemento oral, coma na maioría das linguas romances –como curiosidade o primeiro texto en romanés é do s. XVI–.O reino de Portugal fórmase en 1128 como consecuencia da separación da parte meridional do Reino de Galiza, polo que os portugueses ata esa altura foran galegos e falaban galego e a partir de entón serían portugueses e falarían portugués, mais a lingua de ámbolos dous reinos durante case tres séculos despois seguiría a ser esencialmente a mesma. Pra algúns lingüístas a diferenciación entre ámbalas falas comezaría no s. XIV pra avanzar gradualmente ata a situación actual, outros retroceden o fenómeno e xa existirían pequenas diferenzas dende o mesmo nacemento deste romance, e pra outros as principais diferenzas son unicamente produto da interferencia do castelán no galego e se se suprimisen estas non restaría máis ca dúas variantes dunha mesma lingua. Secasí, isto non é o propósito do presente texto.O obxectivo é a denominación da lingua iberorrómanica occidental formada a partir do s. VIII que posteriormente sería coñecida cos nomes de galego e portugués e que hoxe denominamos como galego-portugués, termo inventado pola lingüística portuguesa no s. XIX pra poder incluír o xentilicio patrio na denominación da lingua romance orixinaria do seu idioma nacional. Denominación insustentábel dende un punto de vista histórico, porque denantes da independencia portuguesa non había portugueses senón galegos do "Condado portucalense" pro si lingua romance.Durante a Idade Media as linguas podían recibir varios nomes, por veces segundo os reinos onde se falaban, e así pasaba co valenciano: romanç, català, valencià ou llemosí –hoxe denominado "valenciano" na Comunidade Valenciana e "catalán" en Cataluña, Illas Baleares e Andorra–, co éuscaro: lingua navarrorum, biscaíño, vasco/basque ou vascuence, ou co galego e mailo portugués (este nome a partir do s. XII en diante), foi esta duplicidade denominativa prá mesma lingua a que xustifica a denominación composta de "galego-portugués" actual, mais o que é asumíbel prós séculos XII, XIII e XIV non o é prós séculos anteriores, onde o galego-portugués soamente pode ser denominado como "galego medieval", o contrario é tan anacrónico como denominar "hispanoamericano" –hai algunha proposta ao respecto– ao castelán de España ou mesmo ao castelán americano dos séculos XVI e XVII, ou español medieval ao castelán medieval –aínda que exemplos hai–.A Lingüística, moderna e científica xaora, nace no s. XIX co estudo comparativo das linguas romances e xermánicas; nun inicio cunha visión moi estatal das linguas que irá evoluíndo ata unha clasificación actual das linguas independentemente do seu status oficial ou prestixioso. Xa que logo, ninguén pode pretender que as denominacións dadas ás linguas en épocas pretéritas teña algo que ver co máis mínimo rigor científico. E o nome que recibía o galego era "romanço" (s. XIII e XIV) ou "romance" (s. XIV e XV), que con distintas variantes era o que tamén recibía calquera fala neolatina na altura: romanz, romance, romans etc., e que mesmo chegou ata hoxe como denominación da lingua romanche (rumantsch); amais do xentilicio do país: lyngoage galega, lingoajen galego.Como sabemos o presente e mailo futuro dos idiomas inglés, castelán ou portugués está esencialmente en América –aínda que moitos europeos non o queiran asumir–, continente onde teñen o groso dos seus falantes e o seu mellor augurio de crecemento, por isto quizais nun porvir non moi lonxincuo os falantes de "american", "hispano(americano)" e "brasileiro" falen das orixes das súas linguas como: "english american", "hispano español" e "hispano castellano" –pró medieval– e "brasileiro português" nun exercicio de impostura coma o que se dá co "galego-portugués" dos primeiros séculos. A idea dunha "língua brasileira" diferente do portugués, con diferenzas fonéticas, léxicas e mesmo morfosintácticas, toma forma e pulo a partir da independencia do Brasil no inicio do s. XIX e dende entón non deixou de ser formulada como unha realidade clasificada de diferentes maneiras segundo os lingüístas do país; así mesmo, aínda que non dun xeito tan marcado, nos EUA xorde a convicción dun inglés particular que xa non pode ser considerado simplemente inglés: o "american english", cuxas maiores diferenzas respecto ao inglés de Inglaterra son de índole fonético e léxico; e nos países hispanoamericanos, especialmente na Arxentina e no Uruguai, onde as diferenzas maiormente fonéticas e léxicas, pro tamén morfolóxicas, permiten falar dun "castellano rioplatense" non subordinado ao castelán español que chegou a modificar a conxugación verbal tradicional da RAE, ao incluír o pronome "vos" e as súas formas verbais correlativas en paridade con "tú".Nas denominacións do "iberorromance occidental" ou "galego-portugués", cando falemos seguindo un criterio cronolóxico, deberiamos usar os termos de: galego medieval > galego-portugués (medieval) > portugués e galego > portugués europeo, portugués brasileiro e galego > e seica nun futuro: brasileiro, portugués, galego e quizais angolano, mozambicano etc.; porque as linguas mentres están vivas evolúen mudando a súa fonética, morfosintaxe e léxico segundo os lugares onde se falan, así pasou sempre e seguirá a pasar. A pretendida "unidade dos idiomas" é máis un desexo ca unha realidade, unha utopía universalista desmentida pola historia.
NOS_23985
A cidade herculina reúne o mellor da marcha a nivel mundial
Restan pouco máis de dúas semanas para que dea comezo o máximo referente mundial da marcha en ruta do calendario da World Athletics, o Gran Premio de Marcha Cantóns da Coruña Trofeo Sergio Vázquez, que o próximo 28 de maio alcanza a súa trixésimo quinta edición. No trazado coruñés decidirase un importante número de prazas para as grandes citas atléticas deste ano, como son o Campionato do Mundo de Eugene (Estados Unidos), previsto para mediados do mes de xullo, e o Campionato de Europa, que terá lugar un mes despois, na cidade alemá de Múnich. Até o momento, segundo revelou a organización, está confirmada a asistencia dun total de 121 marchadores e marchadoras ao certame dos Cantóns, aínda que se agarda a presenza dun maior número de participantes, xa que a inscrición de cara á proba continúa aberta. A procedencia das atletas, polo momento, alcanza 29 países distintos, dos que as delegacións máis numerosas tras a do Estado español son as do Ecuador, Australia, Colombia, China, Italia, Guatemala, Gran Bretaña, Portugal, Irlanda, Alemaña, Brasil, Perú e os Estados Unidos. Haberá, ademais, representantes de Costa Rica, Porto Rico, Francia, México, Arxentina, Eslovaquia, Turquía, Exipto, Romanía, Canadá, Honduras, Casaquistán, a India e Ucraína. Como vén sendo habitual, na cidade da Coruña estarán as mellores marchadoras mundiais do momento. Entre as confirmadas, a día de hoxe, destaca a presenza do medallista olímpico canadense Evan Dunfee, bronce en Toquio 2020 sobre os 50 quilómetros, e a da colombiana Sandra Lorena Arenas, subcampioa olímpica. Tamén brillan as vixentes campioas europeas masculina e feminina na distancia dos 20 quilómetros, a andaluza María Pérez e o estremeño Álvaro Martín, así como unha potente armada galega encabezada por Carmen Escariz e as irmás Daniel e Antía Chamosa. A concelleira de Deportes da cidade herculina, Mónica Martínez, quixo aumentar a expectación ofrecendo o dato de que practicamente a metade das atletas inscritas tiñan experiencia nos Xogos Olímpicos, aproximadamente 50, e tamén salientou que nos Cantóns estará a prestixiosa xuíza Dolores Rojas.
NOS_27361
Deputación de Pontevedra inicia esta sexta feira unhas xornadas sobre vítimas, xustiza e reparación.
A Deputación de Pontevedra inicia esta sexta feira os actos das Xornadas de Memoria Histórica na loita contra a impunidade. Ás 19:00 horas terá lugar un acto informativo aberto ao público no que se explicará a situación actual da querela arxentina contra os crimes do franquismo e como as familias das vítimas galegas poderán adherirse a esa causa xudicial. O acto pechará coa proxección de El silencio de otros, documental que narra a loita silenciada das vítimas do réxime de Franco. Segundo explicou a deputada María Ortega, os actos organizados pola Deputación teñen como obxectivo apoiar e facilitar ás familias das vítimas o seu dereito á xustiza e reparación, poñéndoas en contacto con representantes da Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina (CeaQua). No acto informativo estarán en Pontevedra os avogados de CeaQua Jacinto Lara e Paloma García, así como a súa persoa de contacto na Galiza, Jana Calero, e o 'loitador antifranquista' e querelante Chato Galante. Sinatura da querela arxentina polas familias Bóveda e Caamaño Xa o sábado, o Salón de Plenos da Deputación acolléra un acto institucional no que dúas das familias máis significadas da loita antifranquista en Pontevedra, os Bóveda e os Caamaño, asinarán a súa adhesión á querela arxentina. Durante o acto institucional, igualmente aberto ao público, proxectarase tamén un pequeno fragmento do documental de Óskar Galansky 'A guerra dos avós', e a intérprete MJ Pérez tocará na guitarra as cancións 'A peza solta' e 'Cassandra'.
NOS_22740
As Corts Valencianes acordaron a liquidación da RTVV o 28 de novembro á última hora do serán. Tod@s @s traballador@s ocuparon as instalacións da televisión pública e resistiron até que esta sexta feira cando pasaban uns minutos das 12h unha comitiva xudicial lles comunicou a orde de desaloxo. Ao berro de "Fabra dimisió!" despediron a emisión.
- Vostedes veñen para nos desaloxar?- Si.- E van fundir isto a negro?- Non o sabemos. Tardaron un minuto en facelo. En fundir a negro. O seu propio feche foi a última emisión de Canal 9, a televisión pública valenciá. Un dos traballadores mantiña a conversa que reproducimos cun integrante da comitiva xudicial que lles foi comunicar que a segunda denuncia contra el@s por "ocupación ilegal" si iría adiante. Escoltado pola policía española, o funcionario xudicial anuncioulles o desaloxo. Desde que o 28 de novembro á última hora do serán as Corts Valencianes acordaran a liquidación da Radiotelevisiò valenciá --só cos votos a favor do PP--, @s traballador@s ocuparon as instalacións do edificio e resistiron alí. Entre aplausos recibiron a decisión do xulgado de non aceptar a orde de desaloxo. Paco Signés, o profesional técnico enviado pola Generalitar para cortar as emisións, negouse a o facer. "Todo a decisión de que isto non pecha hoxe. Eu tamén son valencián", dixo. Radio 9 xa emitía unicamente por internet desde mesmo antes de que a Generalitat mandara imprimir de madrugada unha edición especial do Diari Oficial de la Comunitat Valenciana en que comunicaba a liquidación da RTVV. Na televisión, no canto de suspender as emisións o que fixeron foi encetar unha programación 'de resistencia' para retransmitir en directo o peche da televisión pública, que emitía integramente na lingua propia dos Països. "É un volta de 50 anos ao pasado", sinalou José María Alcañiz, secretario xeral do comité de empresa, en conversa coa Radio Galega. Un correo-e informou @s traballador@s de que de aquí en diante gozarían dun permiso retribuído. Porén, el@s continuaron diante e detrás das cámaras para adiar polo menos unhas horas o que cualificaron como "un golpe de estado televisado". O peche da RTVV supuxo o punto e final a 24 anos de emisións da radio e a televisión públicas de Valencia.
NOS_37415
En Marea e PSdeG critican a situación que se vive nos medios públicos galegos mentres o presidente ataca a renovación feita na RTVE. Núñez Feixoo cualifica de "conto nacionalista" as críticas do BNG polas subas en gasóleo e luz.
Coa metade de lexislatura recén cumprida Núñez Feixoo someteuse na sesión de control parlamentar desta cuarta feira a cuestións formuladas pola oposición e que non lle deberan ser descoñecidas. Sobre a mesa, outra volta, materias pendentes ao longo destes anos, como o control e manipulación da CRTVG ou a escala de subas nos prezos de combustíbeis e luz. A primeira en preguntar foi a portavoz do BNG, Ana Pontón, e fíxoo sobre o incremento do prezo nuns campos que baten directamente no peto dos galegos e galegas: o gasóleo e a luz. "Comprometeuse en 2014 a adoptar medidas polo alto prezo do gasóil e o que pasou foi que nestes catro anos multiplicou por catro os impostos [autonómicos] sobre el", reprochoulle a nacionalista a Feixoo. Ao tempo, criticouno por non facer nada para evitar que un territorio excedentario en producir electricidade, Galiza, acabe pagando máis pola luz. "Deixe de poñer a camisola do lobby eléctrico", espetoulle. Non gostou o mandatario galego das críticas e despachou cun "son contos do conto nacionalista" esas denuncias do BNG. Nin sequer se pronunciou sobre a proposta que lle fixo a portavoz nacionalista de aplicar un IVE superrreducido para a factura da luz. "Trae asuntos serios a esta Cámara mais pérdese nas solucións, vostedes sempre propoñen a independencia de Galiza", dixo Feixoo. CRTVG Os portavoces de PSdeG e En Marea preguntáronlle sobre os medios públicos galegos. Levaron ao Parlamento as denuncias de comité intercentros e persoal da CRTVG sobre o control e manipulación. Luís Villares (En Marea) acusou Feixóo de "parecer un Putin á galega, o Zar dos Peares, Alberto Putin Feixoo" e Fernández Leiceaga instouno a facer cumprir a lei de medios de 2011: "Incumpren aquilo que limita a intervención gubernamental nos medios públicos". Ambos os dous enumeraron as acusacións de manipulación e o papel do goberno galego para evitar que se cumpra a Lei de Medios en aspectos como o consello de informativos ou o estatuto profesional. A quenda de réplica do presidente baseouse en defender os niveis de audiencia de televisión e radios galegas como bálsamo que cobre calquera acusación de manipulación e atacou os cambios na RTVE desde a entrada do goberno de Pedro Sánchez. Reafirmouse, alíás, nunha frase polémica que dixera hai uns días: "Non vexo a TVG", e engadiu: "nin ningunha outra. Porque son presidente" e ten moita axenda.
PRAZA_18653
ENTREVISTA | Compostela acolle este xoves a III Xornada sobre a situación das persoas sen fogar, centrada este ano no acceso á vivenda e as políticas públicas que fan posible este obxectivo. Falamos con Ana Pardo (Provivienda), Emilio Sola (Director de Servicios Sociais do Goberno Vasco) e Jorge Duarte (concelleiro de Dereito á Vivenda de Santiago).
ENTREVISTA: "O 'senfogarismo' non é unha cuestión de servizos sociais, é un problema de falta de vivenda" ENTREVISTA: "Das persoas sen fogar só o 20% son mulleres, pero sofren situacións máis graves" "O senfogarismo non é unha cuestión de servizos sociais, é un problema de falta de vivenda". Así de tallante era Albert Sales, coordinador do programa de atención ás persoas sen fogar de Barcelona, que participou o pasado ano na II Xornada sobre a situación das persoas sen fogar en Compostela, organizada polo Concello de Santiago. Sales salientaba que a dificultade para acceder á vivenda era o núcleo do problema e, ademais, que calquera itinerario de inclusión (acceso a un emprego, axudas sociais, mellor atención sanitaria...) pasaba por garantir primeiro un fogar digno para estas persoas. A terceira edición deste encontro, que se celebrará este xoves 29 na Facultade de Filosofía da USC, terá a vivenda como centro, coa intervención de expertos e xestores galegos, cataláns e vascos e a exposición da situación na cidade compostelá e das estratexias postas en marcha. A Xornada abrirase cunha presentación do Plan de atención ao senfogarismo en Compostela, a cargo da psiquiatra Lucía del Río, asesora técnica do Concello na planificación do Centro Municipal de Atención Integral as Persoas Sen Fogar, coa que falamos o pasado ano. E Miguel Vieito, investigador en Dereito e asesor técnico do Concello, autor do artigo Manipulación e falta de rigor como políticas contra o senfogarismo. Boa parte das intervencións centraranse nas solucións achegadas por distintas administracións para poñer vivendas baleiras a disposición das persoas que as necesitan. Montserrat Martínez Soler, directora da Área de Dereitos Sociais e Servizos ás Persoas do Concello de Terrassa, e Ángels Mira Cortadellas, xerente do Instituto Municipal da Vivenda e Rehabilitación de Barcelona (IMHAB), amosarán a situación que se vive en Cataluña. E Jorge Duarte, Concelleiro de Dereito á Vivenda en Compostela, e Encarna Otero, ex-directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda da Xunta, debaterán sobre as respostas dadas en Galicia, nunha conversa moderada por Iago Lestegás. Plan de Mobilización de Vivenda Baleira de Compostela Jorge Duarte explicará os obxectivos e desenvolvemento do Plan de Mobilización de Vivenda Baleira de Santiago Jorge Duarte explicará os obxectivos e desenvolvemento do programa AVIVA, Plan de Mobilización de Vivenda Baleira de Santiago de Compostela. O proxecto crea unha bolsa de vivendas privadas baleiras susceptibles de seren alugadas. "Unha vez que comprobamos que había un número moi elevado de vivendas baleiras no concello, entendemos que había que facer o posible para mobilizar este parque. O primeiro paso é darlles facilidades aos propietarios de vivendas para vencer as súas desconfianzas e receos para que poñan estes inmobles en alugueiro", explica Duarte. "A lexislación estatal impide incrementar o IBI para as vivendas baleiras, que é o que nos gustaría facer. Polo tanto, o que facemos é bonificar, baixando o IBI, a aqueles que decidan poñer no mercado estes inmobles, sempre que se adapten ao tope de prezo que propoñemos", engade. O programa fixa uns prezos máximos para esas vivendas en función do seu tamaño e da súa situación na cidade, entre 300 e 600 euros. Busca ser complementario dos programas de alugueiro de carácter social e está aberto a calquera persoa cuxos ingresos non superen o triplo do salario mínimo. "O ideal sería poder facer unha política pública de vivenda en alugueiro para poder baixar os prezos, pero ata agora foi imposible, xa que é unha competencia autonómica", reclama Duarte O edil estima que o programa terá unha implantación lenta, pero destaca que é importante poñelo en marcha canto antes, para que os seus efectos comecen a percibirse canto antes. En Barcelona hai un programa semellante, que o primeiro ano chegou a 50 vivendas e que o segundo se incrementou ata as 150. "O programa tamén pode servir para darlles unha alternativa aos propietarios de vivendas de uso turístico, incentivando o seu uso residencial e, ao tempo, facendo máis asequibles os inmobles para a poboación que busca alugar", subliña Duarte, que conclúe que "o ideal sería poder facer unha política pública de vivenda en alugueiro para poder baixar os prezos, pero ata agora foi imposible, xa que é unha competencia autonómica". "Cando as persoas senten que están nun espazo seguro, comezan a mellorar" Ana Pardo Fernández é responsable territorial de Provivienda e tamén intervirá na Xornada deste xoves. A entidade traballa dende o ano 1989 facilitando o acceso á vivenda para os colectivos con máis dificultades para facelo e máis vulnerabilidade. Neste tempo axudaron a unhas 120.000 persoas, en colaboración con administracións públicas, outras entidades do terceiro sector e empresas privadas. Dende hai dous anos opera en Galicia (Vigo e A Coruña) en varios proxectos. O número de persoas que carece de vivenda incrementouse nos últimos anos, sobre todo nas grandes cidades | Iñaki Pérez de Albéniz | CC BY En que consiste a actividade que realiza Provivienda? Provivienda nace en 1989 como unha resposta ante as dificultades que tiña naquel momento a mocidade para acceder a vivenda. A raíz do asasinato en 1992 de Lucrecia Pérez, que vivía nunha discoteca abandonada xunto con outros 30 dominicanos, comezamos a traballar tamén procurando aloxamento para a poboación migrante, que era quen tiña máis obstáculos. Nos últimos anos o problema de acceso a vivenda foi afectando a cada vez máis grupos: a mocidade, colectivos vulnerables, vítimas de violencia de xénero..., e temos diferentes proxectos adaptados a cada problemática. "Nos últimos anos o problema de acceso a vivenda foi afectando a cada vez máis grupos: a mocidade, colectivos vulnerables, vítimas de violencia de xénero..., e temos diferentes proxectos adaptados a cada problemática" Dende cando traballades en Galicia? En Galicia comezamos a traballar en febreiro de 2017, a través dunha alianza en Vigo con Emaús Social, que alertara das dificultades existentes na cidade á hora de acceder a vivenda, sobre todo para os colectivos máis precarios. O pasado ano xestionamos uns 50 casos de persoas, conseguindo o aloxamento de 20 en vivendas compartidas, asinando contratos de alugueiro en 8 vivendas. Isto amosa que hai unha gran necesidade neste campo, pero que con apoio se poden ir resolvendo estas necesidades, con vivendas dignas, con contratos e sen cláusulas abusivas. En Vigo traballamos tamén a acollida de refuxiados e refuxiadas. E na Coruña traballamos en alianza coa Fundación Rais nun proxecto de Housing First, consistente en que o proxecto de intervención se inicia coa vivenda. As dificultades no acceso á vivenda, o incremento no prezo dos alugueiros, e a precariedade laboral e os baixos salarios están facendo que grupos cada vez máis amplos corran o risco de quedar na rúa, sen fogar? Por unha banda temos un mercado inmobiliario que non está regulado: o prezo é decidido unicamente polo propietario e non hai un límite máximo en función das zonas, o que leva a que se disparen os prezos. O problema é especialmente grave nas zonas urbanas e principalmente en Vigo, Santiago ou A Coruña. Ademais, a situación de desemprego ou de precariedade penaliza moitísimo á hora de buscar unha vivenda e moitas persoas que teñen ingresos baixos cada mes, pero que si poderían pagar un alugueiro, non conseguen que os propietarios acepten facerlles un contrato. Moito peor o teñen os perceptores de RISGA ou as persoas migrantes. Nós traballamos con familias con menores ás que lles pecharon as portas continuamente. "A casa é moito máis que un teito: é o espazo no que nos sentimos seguros, no que podemos comezar calquera proceso de cambio" Sen vivenda é difícil acceder a un emprego e mesmo as axudas sociais poden non ser efectivas. A vivenda é a base de calquera proxecto de inclusión? Hai que cambiar a orde da intervención. Eu son traballadora social e durante anos traballei con recursos de emerxencia, como albergues, para persoas que levan dez anos na rúa. Onde está a emerxencia? Estamos cronificando a intervención. Eu traballei en Compostela nun proxecto Housing First con Feafes Galicia e é impresionante ver como as persoas cando senten que están nun espazo máis seguro comezan a mellorar, cunha maior autoestima e cunha maior motivación. Doutro xeito é moi difícil: estamos pedíndolle moitas cousas a persoas que viven á intemperie ou en condicións de inseguridade, pedímoslle que vaian a unha entrevistas de traballo a persoas que ás veces non teñen nin a posibilidade de ducharse. A casa é moito máis que un teito: é o espazo no que nos sentimos seguros, no que podemos arrincar calquera proceso de cambio. Os profesionais temos que entender que debemos mudar a nosa metodoloxía de traballo. "Moitas vivendas están baleiras porque os seus propietarios teñen medo de que o inmoble se deteriore ao vivir alguén nel. En ocasións, isto prodúcese por prexuízos e por medos infundados" Como se pode poñer o actual parque de vivenda baleira a disposición das persoas que as necesitan? Eu entendo que moitas das vivendas baleiras o están porque os seus propietarios non teñen unha necesidade económica e porque teñen medo de que o inmoble se deteriore ao vivir alguén nel. En ocasións, isto prodúcese por prexuízos e por medos infundados a unha posible ocupación por parte de persoas que non pagan o alugueiro e que se negan a marchar. Para evitar atrasos e impagos ocasionais, dende Provivienda abonamos regularmente o alugueiro ao propietario e despois o inquilino páganos a nós en función da súa dispoñibilidade; ademais, facemos fronte ao seguro de alugueiro, asegurando así que a vivenda vai estar sempre en bo estado. Así mesmo, facemos un seguimento de todos os casos; en toda a nosa experiencia nunca tivemos problemas en ningún inmoble. O que queremos é darlles garantía aos propietarios e propietarias para que perdan o medo a poñer en alugueiro as súas vivendas baleiras, facilitando así a inclusión de moitas persoas que agora teñen que vivir na rúa en en espazos moi precarios. "A vivenda debe ser o eixo central da estratexia para as persoas sen fogar" Emilio Sola Ballojera, director de Servizos Sociais do Goberno Vasco, participará na Xornada explicando as características fundamentais da Estratexia Vasca para Persoas sen Fogar 2018-2021, que busca reducir de forma significativa, cando menos nun 20% o número de persoas que dormen na rúa nas cidades e vilas máis importantes de Euskadi, un obxectivo para o que se poñerán en marcha "políticas integrais" que abranguerán a actividade de varios departamentos. Emilio Sola Ballojera, director de Servizos Sociais do Goberno Vasco O acceso á vivenda debe ser o primeiro paso nas intervencións sociais con persoas sen fogar? O que máis me gustou destas xornadas que organiza o Concello de Santiago é precisamente que pilotan en torno ao eixo central da vivenda. E niso é totalmente coincidente coa Estratexia Vasca para Persoas sen Fogar que desenvolvemos dende o Goberno vasco. A centralidade é a vivenda, por iso as estratexias para as persoas sen fogar deben estar centradas na vivenda. Os servizos sociais, a saúde e outros ámbitos son moi importantes, pero a vivenda ten que ser o eixo central. "Os servizos sociais, a saúde e outros ámbitos son moi importantes, pero a vivenda ten que ser o eixo central" Hai que incidir na mellora da coordinación entre administración para evitar que a burocracia se converta nun obstáculo? Efectivamente, a coordinación entre administracións é fundamental. E tamén co terceiro sector. Na Estratexia Vasca contamos dende o minuto 1 co terceiro sector de Euskadi, que é moi potente e que ten unha gran traxectoria no ámbito da inclusión social. Parecíanos que había que facer esa coordinación interinstitucional entre os tres niveis: Goberno Vasco, Deputacións Forais e Concellos, pero tamén contar con estas entidades. Nos últimos anos variou o perfil máis habitual das persoas sen fogar? Non se pode xeneralizar, pero se falamos dun perfil medio, podemos dicir que este variou nos últimos anos. Antes era maioritariamente unha persoa autóctona, cunha problemática de adicción ao alcoholismo ou de enfermidade mental ou de ambas as dúas cousas, e con problemas de relación social e familiar a raíz do anterior. Agora, en cambio, vemos un peso crecente dos mozos estranxeiros non acompañados, moitos deles menores que ao chegar á maioría de idade saen da rede de apoio emprestado dende as deputacións forais. "A precariedade laboral é evidente e custa moito acceder a unha vivenda de alugueiro. Por iso é básico facilitar o acceso" O incremento dos alugueiros e a precariedade laboral están facendo que grupos cada vez máis amplos corran o risco de se converter en persoas sen fogar? Destacábase o outro día que os mozos de agora, a nivel de ingresos, están peor do que estaban os millenials á súa idade. A precariedade laboral é evidente e custa moito acceder a unha vivenda de alugueiro. Por iso é básico facilitar este acceso a unha vivenda. Por iso nós poñemos en marcha un gran número de medidas ao respecto, comezando pola creación dunha rede supramunicipal de aloxamentos dotacionais para os sectores máis necesitados. E non falamos só de xente que vive na rúa, senón de xente que está en risco de facelo por non poder pagar un alugueiro. Programa da Xornada
NOS_52830
A EPA sitúa a Galiza como un dos tres territorios do Estado onde aumentou o número de desempregad@s no segundo trimestre. A taxa de paro é do 22,4% no noso país
O paro aumentou en Galiza en 800 persoas no segundo trimestre deste ano, en relación cos tres meses anteriores, e o noso país atinxiu a cifra de 288.200 desempregad@s, un 0,26% máis. Así o indican os resultados da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados esta semana polo Instituto Nacional de Estatística e que recollen un importante descenso do paro no conxunto do Estado español (caeu nun 3,3 por cento). De Guindos inchou peito: "España crea emprego neto por primeira vez en cinco anos". Na Galiza aumentou o paro Na Galiza a taxa de paro sitúase no 22,4%. O noso país é un dos tres territorios do Estado onde aumentou o desemprego no segundo trimestre do ano. Nos outros 14, baixou. Na comparación inte-anual, a que vai do segundo trimestre de 2012 ao segundo trimestre de 2013, os datos son aínda máis demoledores. Así, a EPA apunta que neses doce meses na Galiza aumentou o número de persoas en desemprego en 12.300. O que supón un incremento do 4,45%. A maioría destes parad@s, 7.700, foron na provincia da Coruña. Tendencia O número de fogares galegos con todos os seus membros en paro é de 91.200, case un 9% máis que hai un ano. A provincia da Coruña é a que ten máis familias nesta situación, 38.400 fronte aos 34.100 de Pontevedra. A cifra de ocupad@s na industria reduciuse en 3.100 persoas, a construción destruiu outros 2.900 empregos.
NOS_36242
A súa voz e a súa guitarra valéronlle a Su Garrido Pombo o X Premio Fran Pérez Narf de artistas e grupos musicais da Deputación da Coruña, que recoñeceu co segundo posto a banda Néboa.
O xurado admitiu "suar" para elixir a gañadora do X Premio Fran Pérez Narf de artistas e grupos musicais da Deputación da Coruña dada a alta calidade das bandas. Por iso, se cabe, é aínda maior a satisfacción de Su Garrido Pombo ao facerse co recoñecemento dun concurso en que ficou en segundo posto a banda Néboa. "A emoción, a calidade e o proxecto musical" decantaron a balanza a favor de Su Garrido Pombo, da aldea de Traspielas (Fornelos de Montes). Música e compositora, o seu estilo comprende diversos xéneros como o jazz, latin, bossa ou folc. Foi a súa aboa quen lle ensinaba as cancións dos seráns e tamén as que escoitara na radio, boleiros, pasodobres ou rancheiras. Máis tarde, estudou guitarra en Vigo, no conservatorio Mayeusis e licenciouse en Historia e Ciencias da Música e Historia da Arte na USC, Salamanca, Granada e Florencia. A súa música levouna a diferentes países de Europa e América, primeiro como membro do grupo folc Lembranzas Galegas e despois como vocalista do grupo Sonhos. "Cantar é o acto máis subversivo e marabilloso que podemos facer", declaraba a gañadora ao recibir o premio. Premios Alén de 3.000 euros, Su Garrido Pombo participará nunha programación específica de apoio á difusión da súa música promovido pola área de Cultura da Deputación da Coruña que consistirá nun programa de tres festivais ou eventos culturais de referencia no panorama galego. A participación nesta iniciativa de difusión musical é tamén parte do grupo Néboa, que recibe 2.000 euros. A banda, de Caldas de Reis, está integrada por Lucas Martínez Suárez de Centí, no vibráfono, teclados e electrónica; Jacobo García Lafuente, no baixo, teclado e electrónica; Tomás Porteiro Abuín, na guitarra eléctrica e voz, Aloia López Ferro na voz, Sandra Pérez Míguez na percusión e Alex Rodríguez Lázaro á batería. Néboa autoeditoron en 2015 o seu primeiro disco, "Antes da tormenta" e iniciaron unha intensa actividade con concertos ao vivo. A principios de maio do 2018 gravaron "Lisboa 5AM", a súa primeira canción en portugués, como single dixital. Xunto con ela tamén publicaron "Sigue sigue". Estas dúas cancións foron gravadas na Coruña en agosto do 2017 nos Estudos Mans, a raíz do premio que lles permitiu tocar no Festival Sinsal na Illa de San Simón. A banda Oh! Ayatollha situouse en terceiro lugar con 1.500 € e A banda da loba e Zumaque Trío ocuparon o cuarto e quinto postos con 1.000 € e un empate en puntos segundo fixo constar o xurado, que estivo integrado por Brais Morán Mato, Isaac Gónzalez López, Mar Catarina Serantes, Xurxo Souto e a gañadora da anterior edición, Camille Hédouin, Mounqup. Foi presidido pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, coa xefa de servizo da área, Mercedes Fernández Albalat como secretaria. A Sala Sónar de Santiago acolleu a final na noite da sexta feira. Un acto en que, ademais de facerse público o resultado do concurso, houbo fondas palabras de lembranzas para o músico que leva o nome do certame, Fran Pérez Narf. Goretti Sanmartín salientou no transcurso da final que o concurso, xa consolidado, é un escaparate da calidade da música que se está a facer na Galiza, con propostas variadas e sólidas.
NOS_51225
Adega promove un novo debate sobre a afección dos parques eólicos en proxecto ou tramitación na Galiza, no que a sociedade amosa a súa preocupación pola política da Xunta ao respecto destas explotacións.
A Asociación Ecoloxista Adega vén de organizar un novo debate sobre os 'Proxectos eólicos e os seus impactos na Galiza' no que se esclareceron cales son algunhas das zonas máis ameazadas e a realidade do territorio perante as empresas que pretenden o aproveitamento dos recursos verdes sen atender aos puntos de vista medioambiental e patrimonial. No decorrer da charla virtual, Carlos Penedo, membro da Rede Galega por Un Rural Vivo, alertou de que na Costa da Morte hai en tramitación 19 parques cuxo "dano sería catastrófico" tanto para o territorio como para a paisaxe. Neste sentido, indicou que os aeroxeradores estarían na Lagoa de Traba, en Laxe -que xa ten preto varias explotacións, unha das cales se pode ver na imaxe que ilustra a nova-, o pozo da Lagoa de Corme, as brañas de Gondomil, os cantís do Canteiro ou o esteiro do río Anllóns, por nomear só algúns puntos baixo a mirada das eléctricas. "De norte a sur, de leste a oeste, o noso territorio é un polígono industrial eólico", acabou por reflexionar Penedo, amosando a súa sensación de que non existe planificación. "Ao servizo do capital" Ademais, aludiu a una "estratexia política ao servizo do capital" que, ao seu ver, "compromete unha transición enerxética ordenada e xusta" de cara ao autoconsumo e produción a pequena escala. Como na palestra tiveron voz diversos colectivos, Araceli Macías, de Rural Mutante, destacou que a xente nova que vive nas zonas de montaña, como pode ser O Courel, si ten sensibilidade perante os macroproxectos que afectan ao medio. Remarcou que a mocidade sinte que non ten "poder de decisión sobre o que ocorre no lugar" no que habita. De feito, para ela a aposta no "monocultivo enerxético" impide consolidar un plan de futuro. Por parte da Asemblea do Suído tomou a palabra Alexandre Cendón, que lembrou que a contorna podería terse integrado na Rede Natura pero a realidade é que esa proposta virou nunha gran afección dos eólicos. Mais esa presión dos parques tamén fixo que a sociedade levantase a voz ante o perigo de extinción dos hábitats de turbeiras ou dos riscos que os muíños supoñen para distintas aves. "A estratexia da Xunta segue as pautas das empresas do grande capital, a lóxica da rendibilidade... A mesma a lóxica que nos levou a esta crise ecolóxica", lamentou, ao tempo que pediu que se estabelezan zonas de exclusión nas que os parques non teñan cabida. Pola súa banda, Ariadna Fernández actuou como voceira das áreas agrogandeiras, pois ela mesma é unha das afectadas polas iniciativas en proceso para Lalín. "Están querendo ocupar con eólicos terra rica en recursos, mananciais, fontes...", avisou, facendo fincapé na realidade do solo que ocuparía a explotación Monte dos Porcallos. As e os gandeiros teñen "medo" a que se lles obrigue a marcharse ante unha Xunta que "infravalora e devasta o territorio".
NOS_17140
Asociacións de xuízas, xuices e fiscais convocaron para finais de mes o segundo paro que estes profesionais realizarán no Estado español, após o de hai catro anos alertando xa da falta de medios persoais e materiais
As asociacións de xuízas, xuíces e fiscais veñen de convocar greve para o vindeiro 20 de febreiro para denunciar perante a cidadanía que a Administración de xustiza "non conta" cos medios persoais e materiais "imprescindíbeis". Diante desta situación, denuncian que o Goberno español, e nomeadamente o departamento que dirixe Alberto Ruíz Gallardón, "no canto de mellorar esta paupérrima situación, recorta máis aínda os escasos medios con que contamos". Para alén de solicitaren a derrogación do 'taxazo' xudicial e de se revolveren contra a privatización dos rexistros civís, a medida de presión foi decidida tamén en protesta pola reforma do Consello xeral do poder xudicial que prepara Gallardón e que, segundo as organizacións convocantes, "afecta ás garantías de independencia do Poder Xudicial" e procura "unha maior politización" daquel. Da convocatoria xa se desmarcaron os colectivos conservadores Asociación profesional da maxistratura e Asociación de fiscais, que seguirán intentando negociar após varios meses en que o ministro do ramo "non atendeu ningunha das nosas reivindicacións", tal e como denuncian o resto de profesionais. En rolda de imprensa anunciaron, así mesmo, que a greve estará apoiada pol@s avogad@s e persoal funcionario vinculado ao sector. A segunda greve na Xustiza A do 20 de febreiro será a segunda greve na Xustiza que se convoca no Estado español, após a realizada hai catro anos, o 18 de febreiro de 2009. Por aquel entón, á fronte do ministerio estaba Mariano Fernández Bermejo (PSOE) e non contou co apoio de todos os colectivos que aglutinan aos profesionais do dereito. Xa daquela alertaban das deficiencias estruturais do sistema xudicial e da falta de medios elementais, como un sistema informático compatíbel en todas as instancias do Estado.
NOS_2067
O secretario xeral da formación en Euskadi dixo que non celebran o Día da Patria Vasca porque son un movemento ''plural'' unido pola idea "de que todos somos cidadáns" e non pola de "nación".
Nos actos do Aberri Eguna (Día da Patria Vasca) hai discursos que "exacerban certos sentimentos identitarios, que non veñen ben para a unidade da cidadanía vasca". O secretario xeral de Podemos en País Vasco, Roberto Uriarte, manifestou nunha entrevista en Europa Press que "está ben que un se identifique con determinado territorio ou ámbito, mais se o leva a unhas posturas radicais, non é nada positivo". Uriarte defendeu que Podemos é un movemento plural e amplo onde o elemento de unión "non son as cuestións vinculadas á idea de nación", senón a de que "todos somos cidadáns"; polo que a formación non celebra o Aberri Eguna. E engadiu que tampouco celebra o Día de la Hispanidad, equiparando na frase ambas as dúas. Decidir Uriarte si que defende o dereito a decidir, mais matiza que non é tal e como o entenden, afirma, as formacións abertzales, que só o contemplan, sinala, "para procesos independentistas". Enfronta esa visión á de Podemos que, asegura, "cre no dereito a decidir en todos os eidos, no dereito a participación directa dos cidadáns nas decisións que lles afecten". Favorábel a abordar unha articulación territorial na que "todas as sensibilidades "se sintan cómodas", o responsábel de Podemos en Euskadi tamén falou de Catalunya, para dicir que ese país, "tradicionalmente bastante pactistas e moderado", está agora en "posicións enrocadas".
NOS_51917
A oficialidade do asturiano e mais do galego que se fala no territorio administrativo de Asturies son os obxectivos da manifestación que este sábado, 6 de abril, percorrerá as rúas de Xixón.
O movemento polo recoñecemento dos dereitos lingüísticos en Asturies está gañando forza nos últimos anos. No pasado outubro, Podemos e Esquerda Unida rexistraron unha proposición de lei no Parlamento asturiano para dar rango oficial ao 'galego asturiano'. Este seis de abril, a partir das seis da tarde, as xentes convocadas pola Plataforma pola Oficialidá del gallego-asturiano amosarán o seu rexeitamento á "falta de dereitos lingüísticos" que, considera a organización promotora, "non xustificación desde un punto de vista democrático". "É un asunto que atinxe a calquera demócrata", conclúe a plataforma, "non só aos falantes desa lingua non recoñecida oficialmente". Nota: cartel da manifestación do 6 de abril en Xixón.
NOS_46264
Nel Vidal, ademais de presidente da CTNL, é técnico de Normalización de Carballo, concello no que bota a andar o curso de verán dedicado á transmisión interxeracional da lingua.
Esta semana comeza en Carballo a décima edición do curso de verán sobre dinamización lingüística que organizan na nosa vila a Universidade da Coruña e a CTNL, a Coordinadora das e dos técnicos de normalización da lingua. O tema que centrará o encontro este ano, a transmisión interxeracional, é tan espiñento como crucial para o futuro da lingua. Mentres que a gran maioría das persoas maiores de 65 anos, case o 90% usan o galego, menos do 20% das e dos menores de 14 anos falan o galego e non chega ao 5% a porcentaxe de cativos e cativas que o empregan nas dúas grandes cidades do país: A Coruña e Vigo. -Como xurdiu a idea de dedicarlle esta edición do curso de verán á transmisión interxeracional? -Cada ano, céntrase o curso nunha temática concreta na que consideramos que hai que incidir no traballo para a normalización lingüística. Xa levamos un tempo dándolle voltas á transmisión interxeracional como punto fundamental para a normalización lingüística. É aí onde está a gran fractura, o gran problema do galego, como causa e como consecuencia, na transmisión interxeracional. Ás xeracións máis novas, ou non se lles transmite, nalgúns casos, ou non o utilizan na práctica como lingua de uso normal. "O galego é a lingua claramente maioritaria da poboación maior de 65 anos. Case o 90% deste sector ten o galego como lingua de uso habitual. Porén, esa cifra está por baixo do 20% nos menores de 14 anos". -Pode ser que os pais e as nais lles falen en galego aos nenos, mais… -Si, hai nais e pais que intentar transmitir o galego mais aínda así non o conseguen. Posiblemente o que máis inflúe sexa a lingua do grupo dese neno ou desa nena, o seu espazo de relación entre iguais. O que hai que analizar é como podemos intervir aí para cambiar esa situación. -Que datos nos amosan esa ruptura da transmisión interxeracional? -No curso veremos os últimos datos máis exactos que nos traerá, dende a Real Academia Galega, Xaquín Loredo. Sabemos que o galego é a lingua claramente maioritaria da poboación maior de 65 anos. Case o 90% deste sector ten o galego como lingua de uso habitual. Porén, esa cifra está por baixo do 20% nos menores de 14 anos. Temos unha liña descendente perigosísima. É tremenda esa fractura, que se produce no conxunto do país mais é precisamente onde máis poboación nova vive, nas vilas e nas grandes cidades, onde esa porcentaxe é moi inferior ao 20%. En Vigo ou na Coruña, andan as porcentaxes ao redor do 5%. Son cifras de extinción. En lugares máis rurais ou vilas pequeniñas aí si que o galego segue sendo a lingua maioritaria mesmo na poboación máis nova pero non é onde está a maioría da poboación. Que o galego non chegue sequera ao 5% dos nenos e nenas nas principais cidades do país é tremendo. Ou dámoslle unha volta a isto ou dámolo por imposible. -Como se lle pode dar unha volta? -Iso é o que temos que analizar. A normalización lingüística é un proceso social que ten que ser asumido polo conxunto da cidadanía. Ten que ser a cidadanía a que diga se queremos que o galego sexa a lingua de uso, e se é así, temos que usalo. E iso non é sinxelo. Temos que crear espazos, desenvolver accións e situacións favorables para que a cidadanía poida ir asumindo iso. -De que tipo? -De moitos tipos, supoño. Porque se souberamos o remedio para o problema xa o intentariamos aplicar. O problema é que non hai fórmulas máxicas. Canto á administración, é necesario que a lexislación sexa favorable. Por exemplo, no ámbito do ensino, co último Decreto do Plurilingüismo, que prohibe o ensino en galego de diversas materias ou que deixa o galego como residual en infantil é moi difícil dar pasos. Mais, aínda que a lexislación fose favorable, non chegaría. Fai falta concienciación, crear espazos favorables no que se poidan xerar eses ámbitos de uso do galego. -A Mesa pola Normalizacion Lingüística sacou á luz o dato de que só un 3% de escolas de infantil usaban o galego nas sete grandes cidades… -Eses datas da Mesa amosan o que implica o Decreto do Plurilingüismo, que intenta facerse cunha trampa da democracia. Nun centro de ensino no que o 49% queira que o ensino de infantil sexa en galego, vaise impor o ensino en castelán. A eses nenos e nenas nin sequera lle da a posibilidade de usar o galego. Para que haxa liberdade para o uso de calquera idioma, tes que ter oportunidade de coñecelo. Unha persoa non é libre de falar un idioma se non o coñece. Iso é o que está facendo agora o ensino con respecto ao galego. Estalles coartando aos nenos e nenas a liberdade de poderen elixir o galego, porque non teñen a oportunidade de ter a competencia necesaria para usalo. "Catalán e vasco partía dunha situación peor mais hoxe en día, mentres a liña do uso do galego é descendente no caso do éuskaro é ao revés, é ascendente". -E cun panorama tan complexo, de que maneira lle metestes o dente á problemática nas xornadas? -Coñeceremos a experiencia doutras realidades como o catalán do País Valenciá ou da transmisión interxeracional do éuskaro en Navarra. Imos ver tamén diversas experiencias para avalialas, para saber onde están os erros e os acertos, e haberá tamén debates, como o que terá lugar con nais e pais que lle transmiten o galego aos seus fillos pero non conseguen que o falen. -Faredes unha proposta conxunta ti, como técnico de normalización de Carballo, coas técnicas de normalización de Santiago, Ames e Pontevedra… -Nós imos facer unha proposta inicial ao respecto do que, dende un concello se pode facer para mellorar esa transmisión interxeracional. Imos presentar un plan de actuación e unha campaña en diferentes ámbitos (no lecer, nas propostas formativas, en campañas de formación…) No propio curso, a través dos grupos de traballo, será analizada entre todos e todas, para que saia unha proposta máis concreta e consensuada. A idea é poñela en práctica nos vindeiros meses. -Que nos poden ensinar a experiencia catalá e vasca? Hai uns anos partían dunha situación peor á nosa, cunha porcentaxe de falantes moi inferior á do galego, mais porén agora os niveis de recuperación da lingua son moi superiores… -No caso do catalán partían dunha situación peor, e no caso vasco, dunha situación moitísimo peor, tanto que hai corenta anos estaba en risco claro de desaparición. Mais hoxe en día, mentres a liña do uso do galego é descendente (menos dun 20% das e dos menores de 14 anos o usan) no caso do éuskaro é ao revés, é ascendente. A xente máis nova ten maior uso do éuskaro. É, pois, unha experiencia de algo que se fixo ben. No caso do catalán, a liña de recuperación tamén é ascendente, aínda que non tan pronunciada como no caso vasco porque a situación de partida en Cataluña era xa mellor. Emprenderon unha liña de recuperación que aquí non se levou a cabo e, ademais, a lingua neses contextos ocupaba espazos de prestixio e de poder dos que en Galicia estaba desposuída. -Como está a situación en Carballo? -Por un lado, ben, en comparación co resto do país, pois a ruptura interxeracional é menor. A situación é mellor que a doutras vilas da mesma dimensión. Pero, aínda así, segue habendo unha liña descendente no uso do do galego. Cada vez máis, os nenos e as nenas falan máis en castelán.
PRAZA_440
Feijóo cuestiona os datos que acreditan que o 90% das menores que teñen que interromper o seu embarazo xa informan a familia e o PSdeG acúsao de "sacrificar" a seguridade das mozas para satisfacer "a caverna á que representan".
A pasada semana, no pórtico dun longo período electoral, o PP activou no Congreso a versión reducida da súa contrarreforma da lei do aborto. Tras o freo á modificación de máximos que abandeiraba o ex ministro Ruiz-Gallardón os conservadores tentan aplacar, cando menos parcialmente, a ira da súa marxe dereita e moi especialmente dos colectivos antiabortistas que xa animan abertamente a non votarlle a Mariano Rajoy. Como na anterior reforma, o PPdeG e a Xunta véñense de adherir abertamente á iniciativa e, a través do presidente, Alberto Núñez Feijóo, de cargar con dureza contra a oposición, que a rexeita en pleno. No marco da sesión de control ao presidente o voceiro socialista, José Luis Méndez Romeu, instou o presidente a deixar claro se se "sente orgulloso" de que, por iniciativa da súa formación, as mozas de 16 e 17 anos teñan que volver "depender do criterio patriarcal para interromper o embarazo", aínda que isto implique "abortar na clandestinidade" e "sen protección xurídica", mesmo "con risco da súa vida". Estas mulleres "poden contraer matrimonio" e, no ámbito sanitario, "autorizar amputacións, quimioterapias ou ligaduras de trompas", tamén "teñen responsabilidade penal" ou poden "traballar 10 horas diarias". "Pero non -lamenta- decidir sobre a súa maternidade". E isto acontecerá, engade, mentres os estudos máis recentes acreditan que case o 90% das menores que teñen que abortar fanno previa información á súa familia. "Me pregunta por unha lei sobre a que este Parlamento non ten ningunha competencia", retrucou Feijóo, para quen os datos citados por Romeu, procedentes dun estudo elaborado polas propias clínicas que realizan as interrupcións voluntarias do embarazo, resultan "sorprendentes". "Condena e sacrifica" a seguridade das mozas que teñen que abortar "para satisfacer a facción máis cavernaria da sociedade", abondou Romeu, quen coida que os populares "lle ofrecen un tributo de sangue, como no medievo" a "esa caverna á que representan". Romeu: "Ofrécenlle un tributo de sangue á caverna á que representan, como no medievo" Tras abordar asuntos relativos á construción de xulgados ou á estatísticas xerais do Sergas -a pregunta rexistrada polo PSdeG versaba, xenericamente, sobre os "servizos públicos", o presidente endureceu aínda máis o ton. "Interesante este debate", ironizou Feijóo, quen se pregunta se o PSdeG "quere dicir" que "os pais e nais están dispostos a sacrificar as súas fillas". Aínda que Romeu se referiu especificamente ás mozas de familias "desestruturadas" ou nas que existe risco de violencia o presidente tira por elevación para cuestionar se o socialista "quere dicirlles" aos pais das menores que abortan "que son uns irresponsables porque non están dispostos a autorizar as súas fillas a exercer o dereito que a lei poderá confiar nos seus pais". Feijóo acusa a Méndez Romeu de ser "un deputado abortista e de aborto libre" malia ser ex membro da "corporación da Coruña antiabortista" "Todos os abortos clandestinos que se produzan serán responsabilidade de vostedes, que prefiren ter vítimas antes que afrontar e convencer a facción ultramontanta da que dependen", acusa o PSdeG". Para o presidente da Xunta, en calquera caso, as críticas de Méndez Romeu carecen de valor porque "estivo de concelleiro na corporación da Coruña" que presidía Francisco Vázquez. Aquela corporación, proclama Feijóo, "era absolutamente antiabortista", pero "agora descubrimos que un membro da corporación da Coruña antiabortista se converte nun deputado abortista e de aborto libre, tamén nas persoas menores de idade". "Eu creo máis nos pais e nais que en vostede", espeta, e por iso apoia a reforma.
NOS_1256
"O un de abril van os burros onde non deben de ir". O refrán galego que exemplifica que este é día de brincadeira e de xogar a enganos. Unha tradición que o Estado español non celebra (faino o 28 de decembro, Día dos Inocentes) mais si Reino Unido, Portugal, Francia, Polonia e mesmo Alemaña. Mais, de ónde vén? Pois...sempre nos quedará París
No Estado español celebran o Día dos Inocentes, un 28 de decembro que dá para brincadeiras, enganos, chuflas, e mesmo galas na TV. No Estado español e América Latina é costume que nesa data haxa brincadeiras de todo tipo, mesmo nos medios de comunicación. Porén, malia que poida semellar que o 28 de decembro se celebra en todo o mundo, é unha data restrinxida ao mundo da hispanidade. De feito, en países europeos como Alemaña, Reino Unido (April Fool´s Day) , Portugal, Polonia ou Francia (Poisson d´avril), o 28 de decembro non significa máis que o día após o 27 e anterior ao 29. Neses países europeos, ao igual que en Galiza, o día das brincadeiras, do engano, das bromas, é o 1 de abril. "O un de abril van os burros onde non deben de ir". Xa Otero Pedrayo en Historia de Galiza aponta a esta data, 1 de abril, como a das bromas e trampas, facéndose eco dunha tradición que, malia ir esmorecendo nestas décadas , pervive e mesmo rexorde nestes últimos anos. O que non sabe é como o que non ve Mais, de onde vén esta data? Pois a explicación é relativamente sinxela: O rei Carlos IX aprobou un novo calendario de festexos, que finiquitou o que fixaba que o Aninovo caía no 1 de abril. Daquela a información, loxicamente, circulaba máis a modiño, polo que non poucos e poucas seguirían a celebrar esa data o 1 de abril e non o 1 de xaneiro. De feito, e alén de Galiza, no que é o Estado español o 1 de abril tamén se celebra en Menorca, a onde arribou no século XVIII de man da dominación británica.
NOS_3145
A interminábel xira en que Bob Dylan se embarcou hai xa tres décadas, e que denomina The Never Ending Tour, volverá parar en Galiza. Farao o vindeiro 29 de abril de 2019 no Multiusos do Sar en Santiago de Compostela.
O de Compostela, organizado polo Concello, será o quinto concerto galego do autor de Blood on the tracks (1975). Debutara en 1993 na Coruña, naquel lendario Concerto dos Mil Anos en Riazor. Nove anos despois estivo no Multiusos do Sar. Presentaba Time out of mind (1997), o disco que revalorizou a súa figura e disparou a consideración crítica do Dylan serodio. En 2004 actuou no Monte do Gozo. Fraga Iribarne, daquela presidente da Xunta e asistente á actuación, declarara: "Fun ao concerto de Dylan como sociólogo". Vigo foi a última parada galega, en 2008 no Ifevi, nun bolo deslucido polas deficiencias acústicas. Bob Dylan (Duluth, Minnesota, USA, 1941) non publica material propio desde Tempest, o seu elepé de 2012. Os tres seguintes discos -o último, de 2017, triplo- están dedicados ao cancioneiro de Frank Sinatra. Mais os seus concertos non se nutren unicamente deles. O tamén gañador do Nobel de Literatura 2016 -"por crear novas expresións poéticas dentro da gran tradición da canción americana", segundo o xurado- transforma o seu repertorio nunha poirenta, profunda viaxe polas tradicións musicais populares dos Estados Unidos.
NOS_16915
Entrevistamos a Cosme Pombo, candidato do BNG pola circunscrición de Lugo ás vindeiras eleccións galegas.
Cosme Pombo é mestre e agora candidato ao Parlamento galego. Fala sen complexas retóricas e di as cousas con clareza. Emigrado durante uns anos en Barcelona, encabeza a lista do BNG pola circunscrición de Lugo. Da campaña no rural di que non deixa aburrirse a ninguén e asegura que o "goberno Feijóo" --como el denomina a estes tres anos e medio de lexislatura-- foron "unha folla en negro para Galiza". Se algo coñece ben Cosme Pombo é o rural galego e as necesidades dun pobo agro-gandeiro duramente atacado desde as institucións, non só galegas, senón españolas e europeas. Con el botamos a ollada ao interior do país, onde o tren de proximidade non chega, a xente (mal)vive e (sobre)vive cos prezos do leite máis baixos da UE, mais onde axiña se colle unha gaita para lembrar --ao son do Himno do Antigo Reino-- que "en Galiza había reis, cando en Castela non tiñan leis". Lugo é unha provincia cunha importante poboación rural, como é a campaña con esa dispersión poboacional? Esta é unha comarca moi ampla, principalmente agrogandeira e que abrangue o 40% da produción leiteira do Estado español. Ademais, conta tamén cunha importante potencialidade industrial, representada na factoría de Alcoa, e enerxética. A campaña, neste sentido, é moi diversa. Estamos a desenvolver moitos actos entre as distintas localidades da comarca. Non se aburre ninguén! Como valora estes tres anos e medio de lexislatura para o sector agro-gandeiro? Estes tres anos e medio de goberno Feijóo eu case diría que son unha páxina en negro para Galiza. Neste tempo pecharon 3000 explotacións gandeiras, a maior parte na nosa provincia provocando que o desemprego se disparase até as 27.000 persoas segundo a EPA. Para o sector agro-gandeiro estes anos foron moi malos. E tal e como van as cousas corremos o risco de que sexa peor, principalmente porque Lugo é unha provincia leiteira e a situación non pode estar peor. Nunca se pagou o leite tan baixo --a 27 céntimos o litro-- nin con tanto retraso. A situación é moi negra e se seguen os mesmos que gobernan, moito máis negra vai ser. "A desgraza deste país é que ten un goberno que non cre nel" Que propostas levan no programa electoral para mudar esta situación? Fronte a aqueles que apostan pola masificación, nós pulamos pola calidade, en todos os produtos, mais sobre todo no leite. Asemade, cremos que hai que potenciar un grupo lácteo galego en que participe a maior parte do sector cooperativo do país. Tamén así, defendemos a re-organización das terras que están sen traballar a través da recuperación do Banco de Terras posto a andar na etapa anterior. Outra cuestión importante son os contratos homologados que garantan prezos xustos e o cobro do leite. Asemade, será precisa a creación dunha Mesa Interprofesional do Leite que reúna produtores e distribuidores coa mediación da administración e que permita avanzar e empregar ao sector como un dos estratéxicos deste país para xerar emprego evitando que a nosa xente moza teña que emigrar. O goberno español vén de aprobar a privatización do tren e prevé o peche de liñas noutras zonas do país, como valora a situación do transporte en Galiza e, máis no concreto, en Lugo? A desgraza deste país é que ten un goberno que non cre nel. En transporte aquí só se escoita falar do AVE e ao final nin chega, nin se lle espera. Para nós o que é importante é o tren de proximidade por iso desde o BNG defendemos a transferencia de competencias en materia de transporte ao goberno galego para achegarmos un servizo bo e de calidade que sirva para cohesionar toda a provincia; que poidamos desprazarnos nun transporte seguro e máis ecolóxico. "Eu toquei o himno do antigo Reino de Galiza para amosar que aquí había reis antes de que Castela tivese leis" Está a ter intervencións moi singulares nos mitins, sempre acompañado da súa gaita, cre que hai que buscar novas formas de se achegar á cidadanía en tempos de desafección coa política? Non sei se esa é unha forma nova ou non. Eu empreguei nalgunhas intervencións a gaita para explicar cousas, por exemplo, cando o presidente da Xunta dixo que formabamos parte do Estado español desde había cincocentos anos toquei o himno do antigo Reino de Galiza para amosar que aquí había reis antes de que Castela tivese leis, foi unha maneira de reivindicar a nosa historia que non é só a da doma e castración do noso pobo como quere facer crer Feijóo.
NOS_1707
Son un dos pratos fortes deste Festigal, os Festicultores Troupe, un combo impredecíbel cun dos directos máis enérxicos, potentes e festeiros do país. "O que nos motiva: pasalo ben nós e que o pase mellor o público".
A noite do 24 a xullo prevese treboada (musical) con epicentro no Campus Sur de Compostela, zona de celebración do Festigal, festival onde esa noite actuarán os Festicultores Troupe. Non estarán sós: no cartaz, Nao, Sés e A Quenlla. Mais Festicultores teñen moi claro que queren dar á súa actuación unha desas actuacións que deixen pegada durante días (en forma de maniotas) entre o público. Vai haber festa, e da boa, advirten. Falamos con Emilio Oro, voz e teclista deste combo. -Que vai atopar o público do Festigal cando Festicultores tomen o escenario? -Pois esperamos que alí se monte un espectáculo dos bos, directo, enérxico, no que a xente o pase en grande. Nas nosas actuacións gostamos de que o público teña un protagonismo moi directo, que se implique, e aí tamén nos imos centrar. -Que o pase ben a xente e tamén pasalo ben vós... Para poder chegar á xente, para que ela o pase ben e goce, ti tamén tes que gozar, dalo todo. O que máis nos motiva precisamente é iso: pasalo ben nós e que o público o pase aínda mellor. -A vosa palabra de orde é a de 'cultivadores de festas', aí xa se resume ben o sentido e obxectivo do grupo... -Pois si, é a nosa esencia, levar a festa alí por onde tocamos, sexan festivais ou a pé de rúa. Gostamos especialmente cando a festa leva a unha tolería colectiva. -Ides cumprir unha década de existencia.. -Levamos xa nove anos e a verdade non nos podemos queixar. Tivemos unha moi boa acollida por toda a Galiza, moi bos momentos nos escenarios, na rúa... Tivemos a posibilidade de tocar con Manu Chao, Emir Kusturica, Gogol Boredello... e tantos outros! Foron nove anos intensos, de moitas experiencias e de moita festa. E temos gasolina para outros nove anos máis. -Mais en todo este tempo só gravastes un disco, sodes de directo e deixades o estudo un pouco á marxe? -Bon, si, somos un grupo de directo, iso é claro, un conxunto de actuar, de tocar. Prantexámonos como sorprender en cada actuación. Temos pensado gravar novos temas para o ano, no 2015. -Algúns de vós estades moi ligados ao Reperkusión, que xa se consolidou como todo un festival.. -No Reperkusión é, en certa maneira, onde despregamos todo o que é a 'festicultura'. Aí é onde envorcamos todo o que nos motiva e gusta, o que entendemos que pode sorprender a xente. Pódese dicir que é un festival de referencia no sentido de que hai outros festivais que se fixan no Reperkusión, que se nutren de grupos que tocan aquí; ou ben en que a raíz de que determinados grupos actúan nel empezas a ver que a súa música se pon nos bares, locais... Gostamos de dicir que en Reperkusión se sementa e que despois florece en moitos outros lados.
NOS_44065
O órgano do convento de Santa Clara, en Compostela, é o protagonista do disco que Corina Marti vén de gravar. Organista e experta en instrumentos antigos de tecla, a suíza quixo poñer en valor este instrumento de comezos do XVIII, que foi restaurado no 2004 e que é un dos máis antigos da Galiza.
Como nace a idea de gravar un disco no órgano do convento de Santa Clara? Xa estiven tocando nun par de ocasións no festival De Lugares e Órganos. Logo, en abril do 2019 pedíronme que dera un concerto cunha cantante no órgano de Santa Clara. Creo que nunca tocara un órgano que me impactase tanto, realmente quedei namorada. Foi como amor a primeira vista e moi especial. Coñezo moitos órganos históricos, pero sempre me gustaron os españois e concretamente os galegos, que teñen unha sonoridade aínda máis especial. Tamén me sentín moi querida alí, as monxas do convento son moi amábeis e agradábeis. Pouco a pouco, fun dándolle forma á idea e falando con Belén Bermejo -directora artística do festival- sobre a posibilidade de gravar alí. Creo que este órgano merecía estar nun CD e nun selo que ten unha gran distribución a nivel mundial. Que tipo de sons se poden atopar no álbum? Tentei facer combinacións entre sons tradicionais da música española. Sei que se trata de Galiza, mais a música e os manuscritos abarcan todo o territorio do Estado. Tratei de facer combinacións entre finais do século XVI e comezos do XVII, o período no que este instrumento foi deseñado e rematado, coa idea de ir ao corazón do órgano e facer estas mesturas cos rexistros especiais cos que conta. Como foi a experiencia de gravar alí? Foi fantástica. O meu enxeñeiro de son é un gran amigo e desfrutamos moito de Santiago. No convento foron moi acolledoras connosco. Ademais, tamén me acompañaron algunhas amigas coa súa voz ou coa arpa para algunhas pezas. Foi unha experiencia moi bonita e foi moi especial traballar con este órgano todos os días durante moitas horas, tamén para descubrir realmente a súa sonoridade característica. A xente que levou a cabo a renovación do órgano fixo un traballo incríbel. Cando tocas este instrumento, dalgún xeito tócache a alma, e realmente tes que tomar o tempo necesario para entender as súas respostas. Ten un carácter moi especial. 'De Lugares e Órganos' é un ciclo que aposta pola valorización e difusión dos órganos en Galiza. Cre que hai iniciativas similares noutros lugares? Non estou moi segura, pero penso que non. Creo que é un programa xenial. Estou tocando moito noutros países e non atopei unha iniciativa que profunde tanto. Quizais non as coñezo, entón tamén é difícil de dicir, mais creo que é único. Realmente é un proxecto interesante que fai fincapé en todos estes órganos e gárdaos para o mundo. Coñecía esta tipoloxía de órganos con anterioridade? Non. Eu ensino na Schola Cantorum Basiliensis e os meus estudantes están moi contentos co que estou facendo, porque ninguén entre nós sabía da existencia deste órgano. Sabemos moito doutros órganos no Estado español, pero sempre é diferente cando está nun convento. Xa se teñen feito outros proxectos, non son a primeira, pero creo que o CD ten unha distribución mundial. Estou seguro de que a xente apreciará este son tan especial e poderá ter acceso a el sen acudir a ese espazo. Sempre existe o perigo de que pasará cando xa non queden monxas. Non se sabe, pero pode que se peche o convento e que os órganos volvan á escuridade. Así que, sendo honesta, sentín un pouco esa presión á hora de facer a gravación. Que lle diría a alguén para animalo a tocar o órgano? Cando estou co meu alumnado, nin sequera é necesario dicirlle nada. Moitos deles namoran deste tipo de sons e instrumentos e queren explorar máis. Cada vez hai máis interese na música do Renacemento e nos instrumentos de tecla.
PRAZA_10414
O pacto, que non implica a entrada do Bloque no goberno, contempla medidas en materias como transporte e vivenda e aposta polo consorcio para a fachada portuaria mantendo "sempre a titularidade pública" dos terreos. Os socialistas continúan as conversas coa Marea, que pide maior "concreción" nas propostas para pechar un acordo
A maioría que as urnas municipais deixaron na Coruña continúa á procura de tecer lazos que a convertan en estable. O novo goberno municipal do PSdeG, sustentado en 9 edís, procura estender os seus marcos ata os 17 votos que o pasado sábado apoiaron a investidura da alcaldesa, Inés Rey, cunha marxe de tres escanos por riba da maioría absoluta. O primeiro paso anunciárono a propia rexedora e o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, que este mércores confirmaron o peche dun pacto de mandato que non implica, así e todo, a entrada do Bloque no goberno.O pacto, que non implica a entrada do Bloque no goberno, contempla medidas en materias como transporte e vivenda e aposta polo consorcio para a fachada portuaria mantendo "sempre a titularidade pública" dos terreosNunha comparecencia conxunta ante a prensa Rey e Jorquera presentaron un acordo no que a alcaldesa ve o "froito do diálogo e a lealdade política e institucional" durante unhas negociacións cuxo ton "agradeceu" expresamente. Para o voceiro nacionalista trátase dun "exemplo de como se deben facer as cousas" porque "estivemos traballando intensamente e con discreción, sen sobreactuacións".No que atinxe aos contidos, este "marco de colaboración" para o mandato municipal 2019-2023 implican cuestións formais, como o "mantemento da presenza dos grupos municipais na Xunta de Goberno", xa implantada no pasado mandato, e medidas concretas como a creación de novas áreas peonís, o "estudo da xestión directa do transporte urbano", a creación dunha bolsa de vivenda en aluguer ou a aprobación dunha ordenanza de normalización lingüística.O cumprimento do acordo PSdeG-BNG será avaliado en reunións periódicas dunha comisión de seguimentoO acordo detense tamén no que todos os grupos admiten como un dos grandes asuntos políticos na cidade neste mandato, o futuro da fachada marítima. Neste sentido o acordo de PSdeG e BNG aposta pola constitución "dun consorcio" entre todas as Administracións implicadas para definir a "transformación dos terreos do porto interior", mantendo "sempre a titularidade pública" e "condonando a débeda existente pola construción do porto exterior" ou "buscando outras solucións financeiras que en ningún caso representen unha hipoteca para o futuro da cidade". O cumprimento do pacto será avaliado en "reunións periódicas" dunha comisión de seguimento.Con once escanos a prol nos eidos que contempla o acordo pechado polos equipos de Rey e Jorquera, continúan os contactos entre PSdeG e Marea Atlántica. A formación gobernante ata a pasada semana admite a existencia de "vontade real de negociación e cordialidade", se ben reclama "ser máis exactos", en verbas do concelleiro Iago Martínez. "O desexable cando queremos conformar maiorías de progreso é acompañar de números, prazos e responsabilidades" a parte "programática" dos posibles acordos, sinalou en Onda Cero.Os socialistas continúan as conversas coa Marea, que pide maior "concreción" nas propostas para pechar un acordoNeste sentido, Martínez considera "necesaria" a xuntanza prevista entre as comisións negociadoras de ambas formacións para este mesmo mércores, na que estará sobre a mesa o primeiro documento remitido polo PSdeG. Nel a Marea Atlántica di botar en falta referencias a asuntos como a "investigación de responsabilidades por desfeitas urbanísticas do pasado", a "titularidade pública dos terreos do bordo litoral" ou "a constitución da área metropolitana".O propio PSdeG coruñés asumía a pasada semana que, tras a investidura da alcaldesa, lle correspondía asumir o peso das negociacións. A intención, segundo fontes socialistas, pasa por "ver que tipo de goberno se pode facer" a partir dese documento inicial das negociacións cun abano de posibilidades que pasan dende tentar a coalición ata buscar un acordo de mandato coa Marea Atlántica semellante ao acadado co Bloque que permitise, por exemplo, facilitar a constitución de maiorías para sacar adiante asuntos clave como os orzamentos.
NOS_47318
O mundo da música non vai ficar en silencio diante da eliminación da programación da Radio Galega Música do programa "Planeta Furancho". Convocan unha concentración para este sábado diante das instalacións da CRTVG en San Marcos ás 21.30 horas.
Tan só tres días despois de que o director xeral da CRTVG Alfonso Sánchez Izquierdo defendera a compañía como plataforma de divulgación da música galega vaise atopar nas portas de San Marcos cunha concentración do sector esixindo que se repoña "Planeta Furancho" que veñen de eliminar da grella de programación da Radio Galega Música. A convocatoria vén do propio sector que están a difundir a noticia e convidar a participar na protesta co obxectivo de mostrar o seu rexeitamento a eliminación do dirixido por Vituco Neira e esixir a súa reposición "por ser o único que apoia e programa música galega". Lembran tamén que o espazo radiofónico mereceu un os Premios da Música no ano 2014. Pancartas, disfraces e.... música A concentración desenvolverase ás 21.30 da noite en Bando, San Marcos, este sábado día 23 de maio. Anuncian tamén que se realizará unha asemblea e decidirán novas accións de protestas. Solicitan que se leven pancartas, instrumentos, potas, pitos e disfraces. Na páxina da CRTVG continúa aínda a descrición do programa que definen como "altofalante para a música galega contemporánea; un faro, unha axenda e un latexo diario e actual de todo canto acontece na nosa fascinante realidade musical".
NOS_44971
Protestas contra a censura do ensino inmersivo polo Constitucional.
Desde a Bretaña a Córsega pasando por Euskadi: varias manifestacións protestarán mañá contra a controvertida decisión do Consello Constitucional francés de censurar a educación inmersiva nas linguas propias destes territorios, tras ser aprobada como lei polo Parlamento. "Chegou a aberración de 2021: as linguas rexionais de Francia estanse a volver inconstitucionais. A nosa Francia aínda non se reconcilia coas súas raíces e coa súa diversidade interna", lamentou Jordi Vera, coordinador do movemento político Oui au Pays Catalan, en declaracións a Ouest-France. As redes de escolas inmersivas (en bretón, Diwan; en catalán, Bressola; en occitano, Calandreta; ou en éuscaro, Seaska) convocaron a manifestarse masivamente este sábado, a pesar do apoio expresado polo presidente da República tras a decisión do Constitucional. Na cuarta feira, Emmanuel Macron asegurou nunha longa entrada no Facebook que "nada debe obstaculizar" o ensino inmersivo nestas linguas, e pediu ao Goberno e ao Parlamento "atopar os medios para garantir a súa transmisión". A inmersión "é o que facemos desde hai 40 anos; sabemos que funciona", sinalou á axencia AFP Grégoire Mazo, director da rede bretoa Diwan (48 escolas de primaria e sete de secundaria). "Necesitariamos unha revisión da Constitución que integre claramente os idiomas rexionais para asegurar o noso futuro", sostivo. Peio Jorajuria, presidente de Seaska ─rede con perto de 70 escolas─ sostivo que "estamos ante un declive de varias décadas por unha decisión totalmente arbitraria". "É un empobrecemento terríbel desde o punto de vista pedagóxico para os 12.000 alumnos preocupados pola aprendizaxe do catalán", abundou Jordi Veras, que fala dun "choque incríbel para a nosa xeración á que se lle prohibiu falar a nosa lingua no patio de recreo". Reticencias no Goberno O Parlamento de Francia aprobou o 8 de abril o proxecto de lei para protexer e promover as linguas minorizadas do país, despois do voto favorábel da Asemblea Nacional en segunda lectura e malia a reticencia do Goberno e dos deputados do partido que o sostén, A República en Marcha. O 21 de maio, o Consello Constitucional revogou parcialmente a norma, ao censurar o método inmersivo na escola, así como o uso en documentos de estado civil de signos diacríticos como a vírgula do "ñ" usada en éuscaro ou bretón. "Non estamos a pedir a lúa. Só pedimos poder escribir os nomes dos nosos fillos nunha ortografía correcta e impídennolo", dixo Grégoire Mazo.
PRAZA_14613
Joan Coscubiela, voceiro de ICV no Congreso, estivo na Coruña para participar no encontro Alternativas para defensa do ben común, organizado polo Espazo Ecosocialista. Salienta que "por moito que PP e CiU o intentaron, non conseguiron desmobilizar e neutralizar a cidadanía crítica".
Joan Coscubiela, voceiro de ICV no Congreso, estivo na Coruña para participar no encontro Alternativas para defensa do ben común, organizado polo Espazo Ecosocialista. Tense convertido nos últimos meses nun dos deputados máis activos en contra das politicas de recorte do Goberno de Mariano Rajoy. O 25 de novembro Catalunya celebra unhas eleccións nas que ICV defenderá o dereito a decidir do pobo catalán pero tamén un modelo social radicalmente distinto ao defendido por Artur Mas. Salienta que "por moito que PP e CiU o intentaron, non conseguiron desmobilizar e neutralizar a cidadanía crítica". Como ves dende Catalunya e dende o Congreso as eleccións galegas? É unha oportunidade para o pobo galego de xulgar o seu Goberno. Pero tamén é unha oportunidade para rexeitar as políticas de Rajoy. Nós apoiamos a proposta de Alternativa a través do Espazo Ecosocialista e queremos contribuír a que haxa un cambio político en Galicia. En todos os países de Europa estanse producindo procesos simultáneos: as dificultades da política para ser unha ferramenta útil á sociedade máis alá de servir ao poder económico están facendo que nazan esforzos para recompoñer as alternativas. Alternativa reivindicou e chamou a constituír a Syriza galega, algo que dende Catalunya tamén se vén demandando dende hai meses. É o camiño neste momento? Son pouco mitómano en relación a esa tendencia de importar ideas doutros lugares. Syriza nace en Grecia en virtude dun contexto moi determinado. O proxecto de AGE visto dende Catalunya supón un intento de construír algo no que levamos traballando moitos anos: un espazo de esquerda nacional que se configura de maneira moi aberta, porque as alternativas de esquerda nos nosos países ou son abertas ou non poden ser. Entre outras cousas, porque hai que coordinar o eixo esquerda-dereita co eixo nacional. Porque nun partido de esquerda do século XXI a compoñente ecoloxista e de sustentabilidade ten que ser moi importante. E iso non estaba presente na esquerda do século XX. "Unha das cousas máis positivas deste último período é que por moito que PP e CiU o intentaron non conseguiron desmobilizar e neutralizar a cidadanía crítica" Eses procesos de converxencia chegan tamén aos movementos sociais e ao mundo sindical. Tamén deben selo no camiño a unha folga xeral? Unha das cousas máis positivas deste último período é que por moito que PP e CiU o intentaron non conseguiron desmobilizar e neutralizar a cidadanía crítica. A xente estase mobilizando porque é consciente de que a crise se está pagando de maneira moi desigual. E nese proceso os sindicatos son clave. Porque teñen unha gran representación nos centros de traballo e porque manteñen unha gran lexitimidade. Que o Cumio Social estea centrando as súas reivindicacións ao redor da demanda de que haxa un referendo para validar a política de recortes é moi importante porque está poñendo o foco na reivindicación dunha maior democracia. O PP ten unha maioría que conseguiu de maneira lexítima pero que está exercendo de maneira ilexítima porque está incumprindo todo o que prometeu. Mentiron nas xerais, mentiron nas andaluzas e están mentindo de novo nas eleccións galegas, vascas e catalás: eles teñen previsto reducir o poder adquisitivo das pensións e non o din. "A política económica de CiU non é que fose tan mala coma a do PP é que en moitos momentos foi o seu buque rompexeos" Que vai pasar en Catalunya o 25N? Non sei que vai pasar. O que queremos é que o debate das eleccións non sexa un plebiscito, que non xire ao redor do referendo aínda que nós queremos que haxa referendo. O que se está facendo é elixir unha maioría parlamentaria e nós faremos todo o posible para o debate social estea presente. A política económica de CiU non é que fose tan mala coma a do PP é que en moitos momentos foi o seu buque rompexeos, o que ía poñendo en marcha as políticas de recorte. E no Congreso foi o grande apoio do PP e votou con el 17 dos 27 decretos e a maior parte das leis importantes, dende a reforma laboral até a lei de estabilidade orzamentaria. O que non pode pasar é que se pense que se vota o dereito a decidir e que CiU use eses votos para manter a súa política. CiU utiliza o soberanismo para ocultar as súas politicas? A realidade de Catalunya é moi complexa, é a combinación de moitos factores distintos. Primeiro hai máis desigualdade social e a administración está en quebra e non só polo desequilibrio fiscal con España -que tamén- senón porque a dereita baleirou o sistema fiscal e acabou co imposto de sucesións ou de patrimonio. E CiU é quen impulsou con máis forza as Sicav. E despois hai un esgotamento do modelo autonómico. Despois do intento de reforma do Estatut, a mesquindade do PP, a covardía do PSOE e a intervención do TC abortaron esa posibilidade. CiU aproveitou todo isto. O que é importante é que os cataláns aposten polo dereito a decidir en termos nacionais pero tamén en termos sociai,s porque non abonda con decidir que queremos marchar de España, senón que temos que decidir que modelo de sociedade queremos. "Europa vai constatar que grao de cohesión ten ese proxecto en Catalunya e en función diso tomará decisións dentro do marco institucional europeo, que ten demostrado ser moi flexible" E que pasará de alí en adiante? Aceptará España un referendo e o seu resultado? O que debería pasar nunha sociedade madura e responsable é o seguinte: como é moi probable que as forzas que defendemos o dereito a decidir teremos unha maioría moi ampla, teremos que chegar a un acordo para facer unha proposta conxunta. A partir dese acordo debería establecerse unha negociación co Goberno español para pactar unha consulta. E Europa vai agardar e ver. Europa vai constatar que grao de cohesión ten ese proxecto en Catalunya e que grao de racionalidade ten, e en función diso tomará decisións dentro do marco institucional europeo, que ten demostrado ser moi flexible.
NOS_1822
O circuíto concentrarase nunha soa xornada que terá lugar este domingo. A proba comeza ás 12 horas coa categoría mini.
O clásico circuíto 'Corre con Nós' volta este domingo ás rúas de Lugo após a suspensión das anteriores edicións como consecuencia do parón obrigado pola pandemia. Tal e como indicou no seu momento o responsábel da área de Xuventude e Deportes do Concello, Mauricio Repetto, esta carreira que acostuma a aglutinar seis citas deportivas, concentrarase nesta edición nunha soa ante o devir que foi experimentando a pandemia e que, no mes de xaneiro, cando correspondería realizar a primeira das competicións, tivo lugar a chegada dunha nova onda de Covid-19 que fixo reformular a estrutura do circuíto por motivos de saúde pública. A cidade de Lugo correrá contra o cancro o 30 de abril "Diante este contexto, desde o servizo de Deportes puxémonos en contacto coas e cos deportistas lucenses e coas asociacións que os agrupan e o que atopamos foi un apoio maioritario á decisión de aprazar a carreira", aseguraba o edil, "non podemos obviar que no 'Corre con Nós' se xuntan centos de persoas, entre elas menores de 3 a 7 anos acompañados das súas familias, en itinerarios estreitos nos que non se poden garantir as distancias de seguridade mais ao que, precisamente por ese carácter familiar, tampouco tería sentido acoutar ou limitar a asistencia, polo que dispuxemos adiala até o final das restricións", engadía Repetto. Percorrido semellante ao doutras edicións Nesta competición mantense o mesmo número de categorías e distribución que en anteriores edicións. Desta maneira, as persoas participantes competirán nas categorías de mini, sub-10, sub-12, sub-14, sub-16, sub-18 e absoluta. Sairá primeiro a categoría inferior ás 12 horas, cun percorrido de 350 metros, e a partir das 12.10 horas será a quenda das categorías sub-10 e sub-12, que teñen por diante un percorrido de 800 metros. A cidade de Lugo torna na capital estatal do voleibol Xa desde as 12.25 horas será a momento das categorías sub-14, sub-16 e sub-18 cun percorrido de 1.850 metros. A última saída será ás 13 horas coa participacións de inscritas e inscritos na categoría absoluta que terán que correr unha distancia de 5.850 metros. A recollida dos dorsais por parte das e dos participantes realizarase no edificio Pimentel (rúa Bispo Aguirre) e desde a organización indicaron que o percorrido será moi semellante ao doutras edicións.
NOS_12775
Os socialistas poderían ocupar 3 das 11 consellerías. Iñigo Urkullo será reeleito lehendakari a vindeira quinta feira.
Euskadi volve, 18 anos despois, ter un goberno de coligazón entre PNV e PSOE. Na madrugada do sábado ao domingo, e segundo informou Radio Euskadi, fechouse o acordo entre ambas as dúas formacións, un pacto que agora terá que ser validado pola Asemblea Nacional dos jelkides e o Comité Nacional do PSE, o que se agarda que aconteza esta segunda feira. En base a este acordo, os socialistas poderían ter 3 das 11 carteiras coas que contará o futuro goberno vasco. Previsibelmente Iñigo Urkullo será reeleito lehendakari esta quinta feira en segunda votación e por maioría simple, co apoio dos 37 deputados que suman PNV (28) e PSE (9). Historia A primeira experiencia de coligazón entre PNV e PSOE tivo lugar após as eleccións de 1986, onde o PSOE superou en escanos o PNV (19 fronte a 17) por mor da escisión que experimentaron os nacionalistas: Eusko Alkartasuna, e que ,logrou 13 escanos e 15,8% dos votos, sendo cuarta forza, por detrás de Herri Batasuna, que obtivo 13 parlamentares e 17,5% dos sufraxios. O jeltzale Ardanza foi eleito lehendakari PNV e PSOE volveron reeditar a coligazón en 1991, após unha breve experiencia de goberno PNV-EA e Euskadiko Ezkerra EE). Nos comicios de 1990 o PNV logrou 22 escanos, o PSE 16, HB 13, Eusko Alkartasuna 9, PP 6. EE tamén 6 deputados e Unidad Alavesa 3. Reeditouse a coligazón en 1994, tamén con Ardanza como lehendakari. Ramón Jauregi foi vice-lehendakari. Apóas as eleccións municipais de 2015 ambas as dúas formacións acadaron un acordo programático para gobernar nas xuntas xerais e nos concellos onde a suma de PNV e PSE o permitise, respectando a candidatura máis votada. Ao debate de investidura preséntanse dúas candidaturas, a de Iñigo Urkullu (PNV) e a de Maddelen Iriarte (EH Bildu)
NOS_4078
A Comunidade de Montes de Couso (Gondomar) busca micromecenas para repoboar unha superficie de máis de 40.000 metros cadrados con especies autóctonas, un parque de xogos e varios elementos que faciliten a difusión do patrimonio e a lingua da Galiza.
Lingua galega e natureza en irmandade. É a proposta que nos achegan desde Gondomar a Comunidade de Montes de Couso, a Asociación Verdeval e o Instituto de Estudos Miñoranos. Trátase dun Bosque da Lingua e levarase a cabo no ámbito xeográfico do monte das Rasas no propio municipio. Abrangue unha superficie de 40.000 metros cadrados dentro da mesma área en que está situado o bosque da memoria xestionada pola mesma organización comunal. A idea procura potenciar "o coñecemento e uso do idioma galego xunto con obxectivos medioambientais ecosociais" camiñando cara o ambicioso obxectivo final "de conservación, apego, difusión e uso do noso patrimonio cultural, social e ambiental facendo fincapé na lingua galega e destinada fundamentalmente aos colectivos docentes (centros de educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, ciclos de formación profesional de grao básico, medio ou superior, ensinanzas de réxime especial, ensinanzas para adultos, centros de educación especial…), así como as distintas institucións colaborativas que interveñan no proxecto". Campaña de micromecenas Para que o Bosque da Lingua chegue a ser unha realidade precisan 21.655 euros e, para acadalos, veñen de lanzar unha campaña de procura de micromecenas. As persoas que participen a través da páxina web montesdecouso.gal contarán cunha recompensa acordo co propio proxecto. Por 10 euros obterase unha entrada para un futuro concerto de música tradicional e unha mención no Bosque da Lingua. Por 30 acadarase unha entrada, unha mención e dous botes de marmelada. Por 50, a entrada, a mención, os botes de marmelada e un tronco para o cultivo de shiitake na casa. Por 100, todo iso e máis unha autorización para usar a piscina veciñal durante 5 anos e un bote de paté de shiitake. Por 200 euros terase dereito a un espazo fúnebre no Bosque das Memorias. E por 300 poderase acceder a todas esas vantaxes. Actividades a realizar no Bosque da Lingua Segundo explican na propia páxina web, no futuro espazo desenvolveranse actividades que terán que ver con distintas disciplinas ou materias, "organizadas temporalmente ao longo do ano e secuenciadas na duración do proxecto, na que distintos fíos condutores guiarán cada proposta que se contextualizará para cada período de vixencia anual". As máis salientábeis terán que ver coas artes decorativas, visuais, escénicas e literarias. Para levalas a cabo o espazo incluirá un parque de xogos e unha zona para conversar con bancos de madeira e mesas así como mesas de experimentación e unha mámoa-túnel. A contorna estará sinalizada con paneis con textos de autoras e autores galegos con información a través de códigos QR.
NOS_41363
Os beneficios achegados pola electricidade de orixe hidráulica ás enerxéticas son moi superiores aos de calquera outra tecnoloxía de xeración eléctrica. Só desde 2020, as centrais hidráulicas incrementaron as súas ganancias en 545,84%. Os datos do mes de agosto apuntan a cifras históricas.
O prezo medio da electricidade nos primeiros catro meses de 2022 situouse en 219,33 euros o megawatt/hora, o que representa uns rexistros moi elevados en relación coa serie histórica do mercado grosista. Neste sentido, significa unha alza de 360% en relación co exercicio de 2019, onde o prezo medio anual do megawatt/hora marcou 47,68 euros. Asemade, rexistra unha suba de 545,84% fronte a 2020, co prezo medio anual do megawatt/hora en 33,96 euros e de 95,95% en comparación a 2021, cando o prezo medio anual do megawatt/hora estivo en 119,93 euros. A este respecto, Quico da Silva, membro do colectivo de estudos Bidán, sinala a Nós Diario que "o aumentos dos ingresos das unidades de xeración hidroeléctrica rexistra unhas cifras descoñecidas". A produción de electricidade de orixe hidráulica reducirase na Galiza de 2022 en relación coas últimas tres anualidades, como consecuencia da importante seca que está a baleirar a totalidade dos encoros galegos. Segundo os datos achegados por Rede Eléctrica Española (REE) para este ano, referidos en exclusiva aos catro primeiros meses de 2022, a capacidade de xeración das centrais hidráulicas galegas caeu en xaneiro 62% respecto a 2021, en febreiro 79%, en marzo 57% e en abril 56%. Neste sentido, a xeración de electricidade por tecnoloxía hidráulica entre xaneiro e abril colocouse en 1.601.095, 97 megawatts/hora. A tecnoloxía hidráulica marca prezos da electricidade máis altos que o gas As compañías eléctricas obtiveron dos encoros galegos uns ingresos de 335,157 millóns de euros no primeiro cuadrimestre de 2022. Malia a caída da produción, os altos prezos da electricidade deste ano provocaron que a súa facturación estivese por encima da obtida no conxunto de 2019 e 2020. Así, no total da anualidade de 2019 ingresaron 336,393 millóns cunha xeración de electricidade de 7.055.235,42 megawatts/hora e en 2020 268, 892 millóns cunha xeración total entre xaneiro e decembro de 7.917.906,99 megawatts/hora. Neste sentido, o informe elaborado polo Colectivo Bidán recolle que "as centrais hidroeléctricas instaladas nas concas galegas xeraron ás empresas eléctricas entre 2011 e 2020 unhas ganancias de aproximadamente 4.049 millóns de euros". Os beneficios achegados pola electricidade de orixe hidráulica ás compañías enerxéticas son moi superiores aos de calquera outra tecnoloxía de xeración. En relación con isto, desde o colectivo Bidán sinalan que "son tantos os beneficios que a enerxía hidráulica produce que no sector son chamados beneficios caídos do ceo". A esta realidade, contribúe que boa parte das centrais da grande hidráulica, aquelas con máis potencia instalada e con máis capacidade de xeración, levan construídas moitos anos, estando na práctica totalidade dos casos o investimento amortizado. Neste sentido, o Colectivo Bidán cifra os custos de produción dunha central hidroeléctrica en 22,04 euros megawatt hora. Quico da Silva apunta que "os datos máis recentes dos custos de produción dunha central hidroeléctrica proceden da Confederación Hidrográfica do Ebro (CHE). Se ben un estudo de 2008 da Comisión Nacional de Enerxía cifraba estes custos entre 3 e 7 euros, os números da CHE falan de 22,04 euros megawatt/hora, correspondéndose 10 euros megawatt/hora cos custos anuais de xeración e 12,04 euros megawatt/hora cos custos anuais de mantemento". Así, os beneficios xerados polos encoros galegos entre xaneiro e abril de 2022 situáronse en 315,881 millóns de euros. Asemade, as ganancias en 2019 foron de 180,926 millóns de euros; en 2020 de 294,382 millóns de euros, e en 2021 de 691,464 millóns de euros. Concesións vencidas Quico da Silva sinala que "a pregunta á que obrigan os datos debe ser canta desa electricidade e cantos deses ingresos son de concesións xa vencidas. Segundo datos oficiais, poderiamos estar a falar dunha terceira parte da enerxía anual xerada en concesións iniciadas a finais do século XIX e no primeiro terzo do XX, cunha media duns 130 anos, cando o límite legal actual é de 75. A electricidade anual xerada cubriría 14% da demanda anual media galega para o período 2011-2021". A excepción galega Da Silva lamenta que a Xunta "non siga o camiño doutras zonas do Estado con menor potencial hidroeléctrico que recuperaron as concesións para baixar as facturas da luz dos concellos, da súa veciñanza e de pequenas actividades económicas" ou "tramitan a creación dunha empresa pública".
NOS_3632
A CIG lamenta que a Xunta non lle comunicara ao persoal que a empresa xa presentou a documentación para cancelar o leassing.
O comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas, a dirección de Ferroatlántica a e unha representación de Ithaka reuníronse para tratar as condicións da venda do complexo industrial e enerxético da Costa a Morte. Nesa xuntanza, solicitada polo comité, a CIG considera que se confirmou o que vén denunciando desde o inicio do proceso: "Estamos ante unha operación fraudulenta a través da que o Grupo Villar Mir pretende levar adiante unha segregación encuberta das centrais coa que esquivar as cláusulas concesionais, e facer caixa cos nosos recursos naturais". Malia o cambio de propiedade, explica o sindicato, Ferroatlántica seguiría levando a xestión das fábricas de Cee e Dumbría, sendo o seu provedor exclusivo e o comprador único de toda a produción. Así, as plantas funcionarán "como unha especie de subcontratas de FerroGlobe, dependentes das súas decisións empresariais, mais fóra do grupo". Fica claro para a CIG que ao fondo TPG e á sociedade Ithaka "só lle interesa o negocio da produción eléctrica e os substanciosos beneficios que reporta". O Grupo Villar Mir pretende levar adiante unha segregación encuberta das centrais coa que esquivar as cláusulas concesionais, e facer caixa cos nosos recursos naturais De feito, o comprador confirmou que manterá os recursos legais presentados contra a resolución de Augas de Galiza denegando a autorización para a segregación das centrais e que tampouco vai retirar o ERTE formulado para as fábricas de Cee e Dumbría. A CIG informa tamén que no marco desa xuntanza transcendeu que Ferroatlántica presentou o pasado 1 de xullo na na Xunta a documentación para solicitar a amortización anticipada do arrendamento financeiro das centrais, "nun intento de legalizar esta operación fraudulenta". A sección sindical da CIG propuxo ao comité pedir unha reunión urxente coa Xunta para coñecer os termos exactos da solicitude de Ferroatlántica e saber cales son as pretensións do Goberno galego.
NOS_41658
Os ministros e ministras de Enerxía da Unión Europea (UE) reuniranse o vindeiro 9 de setembro.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, anunciou esta segunda feira que Bruxelas está a deseñar unha "intervención de emerxencia" no mercado eléctrico europeo, ante as previsións de encarecemento da enerxía en outono e inverno de 2022. Galiza ten o segundo prezo da luz máis caro da UE Von der Leyen, que está a participar no cumio Estratéxico de Bled, que decorre en Eslovenia, recoñeceu que "o aumento vertixinoso dos prezos da electricidade está a pór de manifesto as limitacións do noso actual deseño do mercado da electricidade". Neste sentido, a presidenta da Comisión Europea acusou Rusia de estar a exercer unha "chantaxe" enerxética. "A era dos combustíbeis fósiles rusos en Europa rematou, e liberarnos desa chantaxe traeranos máis poder para defender a orde global", asegurou. Bruxelas aproba a "excepción ibérica" Segundo detallou Von der Leyen, a estratexia europea pasa por diversificar provedores e impulsar as enerxías renovábeis, co obxectivo de cortar "á velocidade da luz" os vínculos enerxéticos con Moscova. Reunión en setembro O vindeiro 9 de setembro está previsto que os ministros e ministras de Enerxía dos Estados integrantes da Unión Europea (UE) se reúnan para expor e debater novas medidas ante a crise enerxética derivada do aumento do prezo do gas e da electricidade. O Goberno estatal "toma nota" das propostas do BNG fronte á crise, mais non concreta nada Precisamente, esta terza feira o prezo da electricidade alcanzará o terceiro rexistro máis alto da súa historia, cun total de 459 euros por megavatio hora (MWh), segundo os datos provisionais publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OIEA). Foi o ministro de Enerxía da República Checa, Josef Zíkela, quen adiantou e confirmou a data na que se producirá esta reunión. O seu país, que ocupa a presidencia da UE até final de ano, xa anunciara a intención de convocar unha xuntanza "urxente" para tratar esta problemática. Transición enerxética: menos consumo e máis renovábeis Nun chío de Twitter, Zíkela anunciou a convocatoria "dunha reunión extraordinaria do Consello de Enerxía [da Unión Europea]". Para o dirixente checo, "debemos arranxar o mercado enerxético. Unha solución a nivel da UE é de lonxe a mellor opción que temos".
NOS_40317
Mestra e arqueira, curiosa combinación, Maika Fernández (Vigo, 1969) transmite ao seu alumnado varios dos valores que aprendeu nunha disciplina que leva practicando tan só desde o ano 2016, un lustro escaso no que xa gañou o Campionato da Galiza, o Estatal e competiu no recente Europeo de Maribor, en Eslovenia.
—Practica un deses deportes que sistematicamente reciben o apelativo de "minoritarios", que fai referencia ao seu número de practicantes, pero que non acaba de gustar a algunhas persoas, porque consideran que a expresión implica certas connotacións negativas, é este o seu caso? Non, a min non me molesta, en absoluto. É o que hai e para min, ademais, o minoritario non ten porque ser malo, nin no deporte nin en ningún outro ámbito. —Como foi a súa introdución nun mundiño tan particular como é o do arco? Pois é unha historia un pouco rara (ri). Desde moi noviña teño unha lesión nas cervicais que me obrigou a deixar de facer todo tipo de exercicio, até que no 2016 decidinme a facer algo que viña pensando desde había xa moitos anos. Entón, busquei información e atopei que no club de aquí, en Pontevedra, facían uns cursos de iniciación, e foi probalo e ver que era para min. —Amor a primeira vista? Si, foi probar e dicir: "Isto é o meu". —Unha vez que finaliza ese curso de iniciación, como se produce a súa inmersión na disciplina? Facendo máis cursos? Traballando en grupo con máis persoas? Por libre? Nada máis finalizar o curso de iniciación apunteime no club e comecei a adestrar co resto da xente os días de adestramento. —Cando se deu de conta de que era algo máis que unha afeccionada aprendendo un deporte, de que comezaba a destacar? É complicado, porque eu teño unha paixón tola por isto. E a xente dicíame "non te desanimes, que a cousa vai lenta", pero os resultados ían chegando por si mesmos, supoño que polo moito que me gusta, o que me levou a tomalo moi en serio, a adestrar ao máximo. Polo tanto, entendo que a miña evolución foi natural a causa do meu esforzo. —Lembra a súa primeira competición? Por suposto. Non foi moito despois de comezar co arco, porque enseguida participei nas competicións porque, a pesar de que a outra xente dáballe algo de reparo, a min non, porque non me importaban os resultados. Para min os torneos eran como un xogo, non tiña ningunha presión. Lembro que foi en Redondela, e que na miña categoría só eramos tres rapazas, todas do meu club. —E o seu primeiro logro? Pois tamén bastante cedo, porque vale que o noso sexa un deporte minoritario, pero mulleres eramos poucas, moi pouquiñas, aínda que agora xa hai máis. Por iso aquí, a nivel da Galiza, sempre conseguín medallas, até que un bo día cheguei ao Estatal, no que acabei de subcampioa. Alucinara, non contaba para nada. A chave está en que eu teño táboas para afrontar as eliminatorias, que é o difícil, pois a min o que me motiva é manter a calma nunha situación de tensión. Eu falo moito cun compañeiro que fai golf e é unha situación similar, na que hai que ser capaz de fluír en calquera escenario, incluída a competición, por iso penso que grazas a iso teño algo de vantaxe, pois non sinto tantos desexos de gañar como de ser quen de tirar ben en calquera situación. —Este podería ser un dos valores positivos que lle achegou o seu deporte. Fóra do mundo do tiro con arco vostede dedícase á ensinanza e traballa a diario con rapaces e rapazas, que ensinanzas que adquiriu nesta disciplina lles transmitiu até o de agora? Para min este non é un deporte sen máis, é algo que ten que ver coas miñas actitudes vitais, comezando pola superación persoal e seguindo por facer as cousas de modo creativo. Eu son mestra de debuxo e de arte, e considero que o tiro con arco contribúe a vivir a vida dun modo auténtico, sendo sincera cunha mesma, evitando as presións de calquera tipo e gozando do que se fai. —Pasou o tempo e apenas un lustro despois da primeira vez que colleu un arco en toda a súa vida, chega o 2021 e proclámase campioa galega, Estatal e logra a clasificación para o Europeo. Entre medias quedou a pandemia da Covid-19 e os tempos do confinamento. Como fixo para prepararse nese período de tempo? Foi moi duro, estaba totalmente desesperada, até que un día, aproveitando que na miña casa teño un corredor de 10 metros, comecei a tirar moitísimo. Non é o mesmo, porque nós podemos tirar desde os 18 até os 30 metros, pero menos era nada, así que aproveitei para practicar, tratando de perfeccionar a técnica o máximo posíbel. Repetir, repetir, repetir e ver moito o funcionamento na miña cabeza, porque 80% do resultado final é manter a serenidade e saber respirar. —Todo ese traballo, como sinalaba, derivou nunha serie de éxitos que lle outorgaron un posto no Europeo de Eslovenia. Como viviu esa experiencia? Así-así (ri). No clasificatorio final quedei na posición 11, que está bastante ben, pero nas eliminatorias de 15, porque perdín no primeiro duelo. Independentemente diso, serviume para motivarme e coñecer como é o ambiente, así que moi ben. Porque este deporte ten outra cousa que ás veces non se ten en conta, que é que unha frecha cambia todo, e como hai tanto nivel podes quedar de primeira, como me pasou no Estatal, como de décimo quinta.
NOS_34149
O Ateneo de Pontevedra proxecta esta cuarta feira ás 19.30 horas o documental Os mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín. O seu director, Manuel Forcadela, debulla para Nós Diario os pormenores dun dos tótems da cultura galega do século XX, así como dun filme que conta coa participación de nomes Xosé Manuel Beiras, Rexina Vega, Álvarez Cáccamo ou Antón Reixa.
Cal son eses 'Mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín'? Os Mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín é un proxecto de documental que acabou sendo outra cousa, sempre co obxectivo de facer unha aposta pola memoria de Ferrín como figura clave da cultura galega das últimas cinco décadas. Tratamos de mostrar unha figura moi poliédrica, chea de matices, de sentidos, de significantes, tantos que moitas veces o Ferrín en si non ten nada que ver co Ferrín para si. Usando unha terminoloxía un pouco pedante, o Ferrín en esencia ten pouco que ver co Ferrín en apariencia. De onde xorde a idea de trazar este retrato? Dunha reunión da directiva do Ateneo Atlántico de Vigo o ano pasado, no que, entre outras propostas para conmemorar o 80 aniversario de Ferrín, propuxen elaborar unha serie de vídeos que atendesen ao percorrido vital da personaxe. Como se traza a obra documental para compoñer un todo unitario que mostre quen é Méndez Ferrín? De dous xeitos distintos. Por unha banda, Xosé Manuel Beiras, como Virxilio na Divina Comedia, condúcenos polos mundos de Ferrín. E por outra, hai un fío cronolóxico, para trazar un percorrido complementado con diferentes voces pola súa infancia, adolescencia, época universitaria, etc. Xosé Luís Méndez Ferrín é un personaxe histórico, felizmente aínda vivo, que é parte fundamental da historia contemporánea da Galiza Aparte de Beiras, que outros persoeiros podemos atopar? Participan unha chea de persoas, até 30, como Rosa López, Xosé María Álvarez Cáccamo, Francisco Sampedro, Anxo Angueira, Morris ou Xurxo Martínez. Como foi o proceso de elaboración, no que vostede dirixe, guioniza e monta? Fixemos un pequeno equipo de rodaxe, con Lucio Martínez Pereda na produción; a axuda inestimábel de Anxo Cabada, un dos grandes fotógrafos galegos das ultimas décadas; e Antón Dávila encargándose do son. E todo con orzamento cero, só se gastaron cartos en comida e encher o depósito de gasolina. O financiamento correu da vosa conta? Totalmente. Foi "voluntarismo cultural", sen ningún tipo de subvención, non recibimos nin un can. Nin o pedimos, ollo. Malia iso, o filme desenvólvese en numerosas localizacións... Rodamos por toda Galiza: Ourense, Vilanova, Celanova, Compostela, Pontevedra... Logo en Vigo tiñamos un pequeno estudo de gravación nun local cedido pola Escola de Artes e Oficios, onde filmamos moitas das entrevistas, canalizadas pola lectura dunha serie de textos e poemas de Ferrín que ían ilustrando, en certo, modo ese percorrido vital. Son, digamos, o fío condutor para trazar un todo unitario en todo ese totum revolutum de escenarios, declaracións de persoeiros, etc.? Si, en combinación coa ilustración con imaxes de época, fotos, tapas de libros e cadros que teñan que ver co que estamos tratando. Caras e caras falando darían como resultado un filme plano, e deste modo creo que quedou un produto curioso, pois quedou montado dun xeito, non diría que divertido, pero si que se fai ver con agrado. Deixado a un lado o continente, e centrándonos no contido, de todas esas respostas que foron aflorando ao longo do documental, cal foi a que máis lle sorprendeu? Para min, pouca sorpresa, pois coñezo o personaxe desde hai 50 anos (Rí). Mais, e sempre desde unha perspectiva aséptica e documental, de fondo pretendemos dar unha resposta á tentativa de linchamento social de Ferrín que tivo lugar na Galiza nos últimos anos, sobre todo a raíz do seu paso pola presidencia da Academia Galega. Non podemos mirar cara outro lado ante esa persecución, pois Xosé Luís Méndez Ferrín é un personaxe histórico, felizmente aínda vivo, que é parte fundamental da historia contemporánea da Galiza, e polo tanto tiñamos que asumila e afrontala, sen tomar partido, pero dicindo, "ollo", porque nunca foi bo liquidar a xente socialmente após unha extraordinaria carreira creativa, de acción cultural e política. Iso moitas veces é en si mesmo síntoma dunha sociedade que está podre. A que cre que se debeu ese linchamento? A que no mundo no que nós vivimos é difícil que alguén aposte por unha vía de solución e de verdade, porque este é un mundo de complicacións e de mentiras. E calquera que opte pola solución dos problemas e pola verdade perante eses problemas, pois vai ter sempre un contrincante visíbel.
NOS_1512
A operadora só recuperará servizos "na medida que a demanda o vaia pedindo". Por exemplo, de momento non mellorará as conexións no eixo ferroviario entre A Coruña e Vigo. Só se prestan o 65% dos servizos de media distancia que había antes da pandemia. Esta circunstancia dase a pesar das múltiples queixas producidas nas estacións galegas polas modificacións de horarios.
A operadora Renfe pensa manter anulados aqueles servizos de tren que suprimiu na Galiza durante o estado de alarma decretado pola Covid-19. A empresa advirte que só os recuperará "na medida que a demanda o vaia pedindo". Así, de momento non se teñen escoitado as demandas de moitas usuarias do país ao respecto da falta de conexións adaptadas ás necesidades reais de desprazamentos. A decisión foi ratificada por fontes da operadora ferroviaria a Europa Press, após que a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, trasladase esta semana a queixa da Xunta por este asunto ao ministro de Transportes, José Luís Ábalos. Fíxoo durante a conferencia nacional na que este último presentou unha estratexia de mobilidade segura. Xunto a Vázquez, responsábeis de distintas zonas do Estado español trasladaron o mesmo malestar pola supresión de trens. Trala eliminación de servizos coincidindo coa declaración da emerxencia sanitaria, a operadora asegura que non houbo cambios desde o 16 de agosto, cando puxo en servizo dous trens Celta, un por sentido, entre Vigo e O Porto. Moitas desaparicións das pantallas Atendedo aos datos que facilita a propia operadora, na actualidade presta un 65% dos servizos de media distancia en relación cos anteriores á pandemia da covid-19. "Certo que no Eixo Atlántico (A Coruña-Santiago-Vigo), que é a relación con máis demanda, esta porcentaxe é maior e noutras relacións menor", indican. Porén, os usuarios deste traxecto son dos que máis queixas teñen trasladado nas estacións de Vigo, Compostela e A Coruña pola falta de adaptación dos horarios ás necesidades reais. No que respecta a servizos comerciais, circulan por agora seis trens Alvia Madrid-Galicia diarios (tres por sentido), dous Alvia Barcelona-Galicia ao día (un por sentido), dous Interccity Vigo-O Porto (tamén un por sentido) e non hai oferta de tren hotel nin a Barcelona nin a Madrid, nin conexión directa con País Vasco. "Nestes momentos non circulan", di Renfe.
NOS_50375
Non haberá comparecencia esta sexta feira do president da Generalitat perante o xuíz Llarena. Jordi Turull non disporá hoxe dos votos precisos para saír eleito titular do Govern catalá. A súa candidatura non conseguiu o apoio da CUP. Turull aparecerá perante o maxistrado do Supremo como un parlamentar máis. Llarena podería mesmo envialo a prisión.
Os catro votos da CUP non investirán esta tarde president Jordi Turull. Así o decidiu o Consello Nacional cupaire, nunha reunión extraordinaria, concluída poucos minutos antes de dar comezo o pleno en que apresentará a súa candidatura o ex conseller da Presidencia. Non será investido porque os apoios de JxCat e ERC non suman maioría absoluta, limiar exixido para ser investido en primeira volta. A decisión da CUP impide, por tanto, que cristalice a estratexia do bloco JxCat-ERC, sendo que as e os soberanistas planificaron a investidura nas vésperas da comparencia de Turull perante o xuíz do Supremo Pablo Llarena co propósito de fabricar a poderosa imaxe dun president da Generalitat submetido a procesamento por parte do Estado español. CUP argumenta que Turull -ou sexa, ERC e JxCat- non garante un programa rupturista e de construción da República catalá, senón que a súa elección como president envolvería unha deriva autonomista do procés. El nostre consell polític ha decidit mantenir les 4 abstencions a la investidura de Jordi Turull.Seguim insistint, no és el qui, és el què. Hem vingut a fer República. https://t.co/Le0qiYn4Nd— CUP Països Catalans (@cupnacional) 22 de março de 2018 NOTICIA EN AMPLIACIÓN
NOS_1942
O expediente afectará o persoal de tendas físicas das marcas da firma, como Zara, Pull & Bear, Massimo Dutti, Oysho a Stradivarius, entre outras.
Esta cuarta feira, 15 de abril, poñerarse en marcha o ERTE, expediente de regulación temporal de emprego, que Inditex anunciou aos axentes sociais o pasado 19 de marzo e cuxa aplicación adiou a mediados deste mes, variando así a súa intención inicial de facelo en 1 de abril. A medida, segundo avanzan medios como El Diario Montañés, Tele 5 ou El Comercio, afectará 25.000 traballadores e traballadoras. É o persoal das tendas físicas do grupo. Desde Zara, Pull & Bear, Massimo Dutti, Oysho a Stradivarius, entre outras. Desde a empresa apuntouse que complementarán a prestación da Seguridade Social para que as traballadoras e os traballadores afectados polo ERTE cobren 100% do seu salario habitual. A empresa é unha das que ten máis éxito a nivel económico cuns beneficios declarados de 3.639 millóns de euros no último exercicio. Nun primeiro momento, o ERTE ía activarse a partir de 1 de abril. Perante as númerosas críticas recibidas, Inditex decidiu adiar o expediente temporal de regulación de emprego ao 15 dese mes.
PRAZA_649
Esta semana presentouse a asociación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais de Compostela Ultreia, definida como asociación sen ánimo de lucro, laica, apartidista, feminista e de carácter horizontal.
O pasado xoves presentouse a asociación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais de Compostela Ultreia, unha entidade que se define como unha "asociación sen ánimo de lucro, laica, apartidista, feminista e de carácter horizontal", que nace para traballar por unha sociedade máis plural e respectuosa, para promover a completa equiparación legal e social de todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual, identidade sexual ou identidade de xénero e para denunciar calquera tipo de comportamento de LGTBIfobia. "Sendo esta cidade a receptora de moitos universitarios e universitarias cada ano, algúns deles son persoas do colectivo LGTBI, e é necesario darlles un marco onde poidan expresar o que senten, e reivindicar os seus dereitos" Por que poñedes en marcha Ultreia? Poñemos en marcha Ultreia LGTBI porque pensabamos que non ter unha asociación en prol dos dereitos de lesbianas, gais, bisexuais, transexuais ou intersexuais (LGTBI) aquí en Compostela, era unha carencia importante. Sendo esta cidade a receptora de moitos universitarios e universitarias cada ano (como o somos moitos dos integrantes), algúns deles son persoas do colectivo LGTBI, e é necesario darlles un marco onde poidan expresar o que senten, e reivindicar os seus dereitos. Que fai diferente Ultreia doutras entidades xa existentes? Xa existen algunhas iniciativas, como ALEAS ou 7 Cores (das que algúns formamos parte), mais estas pertencen a organizacións políticas, e difiren nalgúns aspectos das asociacións propiamente ditas. Facíase necesario un espazo plural, independente, que dese a voz ao colectivo, e co que acadar un maior apoio, loitando contra a discriminación, apostando pola visibilización mediante diversas actividades... Como vos ides organizar e estruturar? De que xeito unha persoa pode achegarse a vós, ben para colaborar, ou para informar dun problema? Ultreia LGTBI intenta ser bastante aberta, horizontal, e por iso ten moita importancia a Asemblea Xeral, onde nos atopamos todos os membros da asociación. Calquera pode solicitar información a través do noso mail [email protected], pola páxina do Facebook Ultreia LGTBI, ou través do Twitter @UltreiaLGTBI. As reunións anteriores da Asemblea tiveron lugar no bar Hervor&Fervor (Praciña das Penas), onde probablemente continuemos téndoas, e onde calquera pode acudir e participar co fin de informar ou ser informado. "No caso de que aparezan reaccións LGTBIfóbicas, Ultreia LGTBI estará disposta a realizar calquera acción ou denuncia, e mostrarlles apoio ás vítimas" Notades que a sociedade é máis aberta e tolerante? En que ámbitos se manteñen aínda actitudes discriminatorias? Tedes en mente accións, actividades ou campañas para os vindeiros meses? En xeral, a actitude dos demais é bastante positiva, e consideramos que estamos tendo importantes apoios. O certo é que da sociedade compostelá pódese dicir que é bastante aberta, sobre todo pola gran mestura que atopamos nesta cidade, con estudantes, turistas, peregrinos..., unha cidade cultural, diversa..., que, porén, ás veces atópase con situacións de discriminación, como algunha agresión LGTBIfóbica, ou mesmo algún que outro profesor universitario intolerante e LGTBIfobo. No caso de que aparezan reaccións deste tipo, Ultreia LGTBI estará disposta a realizar calquera acción ou denuncia, e mostrarlles apoio ás vítimas desta LGTBIfobia, mesmo con outras actividades que axuden a visibilizar ao colectivo, e dos que poderemos informar cando teñan lugar.
NOS_42533
Poemas de guerra e mito
"Debo dicir, finalmente, / que un destemido baluro, / errante entón por Venecia, / volveu, cruzado de duro, / para alzar contra os señores / a república Galega", escribe Xesús Rábade Paredes (Cospeito, 1949) en Caldaloba en terras de Valverde (Alvarellos, 2019), o seu último libro de poemas. A visita de Rábade a territorios épicos, míticos, valeulle ademais o primeiro premio do certame de poesía Torre de Caldaloba do Concello de Cospeito.Cinco composicións, algunhas arromanzadas e de certa extensión, con ángulos narrativos e xogo toponímico, serven ao poeta para tecer un libro de guerra e celebración arredor da fortaleza medieval de Caldaloba, no Pino (Cospeito). O seu subtítulo, [Lenda histórica], ofrece pistas sobre as intencións do autor. "Desde esta nobre Torre do reino dos baluros, / esclarecida tribo / do grande e vello reino dos calecos", comeza Invocación no sitio da Balura, o texto que abre a obra, "convoco os que cantaron desde as veas a terra / desta Chaira deitada. Milleiros de fanegas / longamente viaxadas / por ventos arrasados e cursos de auga lenta". Lenda e historia da Torre, Celebración do solsticio, O sitio de Constanza e Caldaloba e Viladonga completan o volume. Caldaloba en terras de Valverde sucede na bibliografía poética de Rábade Paredes a dous libros recibidos con honores por crítica e colegas. Sobre ruínas (Alvarellos, 2013), poesía con altas doses de política, foi mellor libro do ano no xénero para a Asociación Galega de Editoras e finalista para a AELG. Con Memoria do corpo (Galaxia, 2018) obtivo a distinción da Gala do Libro Galego ao mellor libro de poemas. Na actualidade, o tamén narrador Xesús Rábade Paredes está a preparar as súas "memorias literarias".
NOS_53113
Ler "é forzar unha arte de vivir que fuxa da obsesión pola avaliación cuantitativa". Ler "é manter vivo un anaco de liberdade, do soño, do inesperado". "Para vivir, para pensar, para conversas dun xeito feliz, cómpre ter un pouco a cabeza", acaba por concluír a antropóloga francesa Michèle Petit en Ler o mundo, o seu ensaio "a prol da literatura e a arte".
Kalandraka vén de publicar a obra en versión galega de Fernando Moreira. O volume recolle sete ensaios, mais Limiar e Posfacio, en que Petit (París, 1946) debruza a súa "rebelión contra o feito de estar cada vez máis forzados ao defender as artes e as letras, ou mesmo as ciencias, a achegar probas da súa rendabilidade inmediata, como se esta fose a súa única razón de ser". A lectura, ao cabo, como antídoto contra a sociedade do lucro. "A día de hoxe, a estandarización monteraia acadou unhas dimensións delirantes", escribe no prólogo do libro, orixinal de 2014, "e só nos quedan autores próximos ao surrealismo para alarmarse". Refírese a un artigo de Julien Gracq sobre Breton datado en 1996, en que chamaba a se opoñer "á inmediata estandarización monetaria de toda actividade humana". É nese contexto que Michèle Petit, cuxa bibliografía sobre a lectura é amplísima, xuntou os textos de Ler o mundo, concibidos inicialmente "para xornadas ou coloquios onde se reunían bibliotecarios, docentes, persoas que traballaban na promoción da lectura ou estudantes que se preparaban para estas profesións, en Francia ou noutros lugares de América Latina". Así, títulos como Variacións sobre tres termos: palabra, comunicar e narración, Os libros, a arte e a vida cotiá ou A educación artística e cultural procuran responder ás preguntas máis habituais coas que a autora topaba en congresos e conferencias: "Para que serve ler? Porque lermos hoxe? Por que animarmos os nenos a facelo? Cales son os alicerces da importantcia da literatura, pero tamén, en xeral, da transmisión cultural? Como se fai para fomentar o gusto pola lectura e as ctividades culturais?". "Teño sona, difícil de manter, de devolverlles a moral ás tropas", di Michèle Petit, investigadora honoraria do Centro Nacional para a Investigación Científica de París, quen no epílogo do libro fai unha reivindicación da lectura como actividade sen obxectivos, e por iso contraria ás ideoloxías dominantes no neoliberalismo: "Aínda que os nenos aos que lles ledes historias non se fagan lectores, non é unha perda de tempo.Deixádelles os petos acugulados, enchédelles a mochila cun tesouro de palabras, imaxes e relatos aos que poderán recorrer para non sentirse espidos ou perdidos ante o que os rodea ou para enfrontarse aos seus propios demos. Axudádeos a crear lembranzas que recordarán pasado moito tempo". Nota: cuberta da edición galega de Ler o mundo, da antropóloga francesa Michèle Petit.
PRAZA_15638
O organismo provincial decide non renovar o convenio coa localidade e xestionará o xacemento arqueolóxico logo das críticas ao exceso de visitas e á falta de control nesta xoia do megalitismo galego. Galería de imaxes no interior.
A Deputación da Coruña asume desde comezos deste 2016 a xestión cultural do dolmen de Dombate, da que se encargou o Concello de Cabana no último ano e medio. A institución provincial decidiu non renovar o convenio para xestionar o centro de interpretación do xacemento arqueolóxico a través da administración local e medita agora se se encarga directamente del ou se é un servizo externo o que o fai. A Deputación decidiu non renovar o convenio co Concello de Cabana logo das críticas pola falta de control e o exceso de visitas A decisión da Deputación coruñesa cambia a tendencia seguida nos últimos anos, nos que se cederon aos concellos os bens que se ubicaban no seu territorio. Continuará así, polo momento, en todos os casos pero non no de Dombate, por ser este un lugar especial, único e a xoia do megalitismo en Galicia, segundo o organismo provincial. Pero no fondo atópanse as diferenzas co modelo de xestión levado a cabo polo Concello de Cabana de Bergantiños e o rexeitamento aos métodos empregados para a súa conservación e divulgación. Xa hai medio ano, colectivos como Salvemos Cabana denunciaran o exceso de visitas e a falta de control no complexo arqueolóxico, o que provocaba riscos para o patrimonio ante o exceso de visitas e ante as actuacións que xa causaran danos nalgunha réplica. A asociación, que reclamaba daquela "medidas urxentes" por parte da Deputación, di agora que detrás deste cambio de xestión se atopa a política "errónea" do alcalde de Cabana, José Muíño, por traer visitantes "a milleiros" sen prever as consecuencias. Salvemos Cabana advertiu dos riscos da xestión do Concello por usar a área do dolmen como sala multiusos para varias actividades Salvemos Cabana advertiu en varias ocasións do risco de converter o xacemento nunha sala de usos múltiles para a realización de actividades con presenza masiva de público e reclamara a valoración por parte de expertos do estado actual das pinturas do megalito e a limitación de visitas ao recinto. A Deputación, propietaria do dolmen, creou un equipo baixo a supervisión de Fernando Carrera, profesor titiular da Escola de Restauración e Conservación de Bens Culturais de Galicia, para controlar as condicións das pinturas do monumento. O alcalde de Cabana non comparte a decisión levada a cabo pola institución provincial e critica as formas da área de Contratación e Patrimonio, que recae nas mans do BNG. En declaracións a La Voz de Galicia, José Muíño, cre que todo é froito da "arqueopolítica" e defende a súa xestión por ir "na dirección correcta". Hai medio ano, o rexedor presumía das "20.000 visitas" que recibira o dolmen de Dombate desde que a a administración local se fixera cargo da súa xestión tras asinar o convenio coa Deputación. Ao tempo, colectivos como Salvemos Cabana denunciaban que chegaban a xuntarse 200 persoas á vez no complexo, o que provoca os "cambios das condicións e a afectación sobre as pinturas". Ademais, segundo o colectivo, un só vixiante era o encargado de ocuparse tanto da réplica como do monumento orixinal. O rexedor de Cabana defende a súa xestión e censura a decisión da institución provincial Agora, Salvemos Cabana celebra a decisión da Deputación porque "permitirá a conservación axeitada do monumento e o seu mantemento como xacemento arqueolóxico de primeira orde e non como un mero recinto multiusos". O dolmen de Dombate foi dado a coñecer polo historiador Manuel Murguía e o propio Eduardo Pondal inmortalizouno en 1885 no seu poema Queixumes dous pinos. Os primeiros estudos detallados do monumento foron realizados durante o século XX por Parga Pondal e Pérez Bustamante, entre outros, pero non foi ata finais dos anos 80 cando se levaron a cabo escavacións que puxeron de manifesto a súa estrutura de cámara e corredor, con pinturas e petroglifos nas súas lousas, o que fai que este monumento do IV Milenio a.C sexa actualmente considerado como a Catedral do Megalitismo en Galicia. O monumento é propiedade da Deputación da Coruña, comprado por acordo plenario en 1975 tras a adquisición de terreos cunha superficie total de 715 m² na parroquia cabanesa de Borneiro, e declarado Ben de Interese Cultural (BIC) o 11 de marzo de 1978.
NOS_37715
O comité de empresa carga contra Executivo español por se desentender e deixar "en mans dos traballadores" o futuro da planta.
O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, cargou hoxe contra o Goberno español por deixar "en mans dos traballadores" e de "os seus avogados" o futuro da factoría de aluminio situada en Cervo. Neste sentido, Zan confesou que a "espera" dunha solución ante o peche que pretende a multinacional estadounidense está a facerse xa "bastante longa". "De momento, cos únicos que temos contacto é coa Xunta. Co Goberno estatal hai máis dun mes que prometeron unha reunión e desde entón nin collen o teléfono", afeou. O sindicalista volveu insistir en que a continuidade da planta de San Cibrao pasa por "unha solución política". Con todo, engadiu, o Executivo estatal "está a deixalo todo nas nosas mans e dos nosos avogados". "Saen nas noticias dicindo moi boas cousas sen facer nada e nos 'tuits' póndose medallas que nin sequera lles corresponden", engadiu. Mentres tanto, Zan asegurou que os traballadores manteñen "o campamento montado" coas súas protestas aos pés da factoría, aínda que coa crise da Covid tiveron que "facer unhas restricións moi grandes para que non se produza ningún contaxio". "Podería ir en contra de nós porque podería pararse a produción", explicou a este respecto. "Nós estamos nun proceso continuo, non podemos parar e se cometemos un erro e temos un contaxio dentro da fábrica pode ser dramático para nós", insistiu. No entanto, o presidente do comité de empresa avanzou que van seguir coas protestas, aínda que resaltou que tamén terán que ser "dunha forma distinta porque coa Covid hai que ter coidado coas mobilizacións masivas". "Agora hai que configuralas doutra forma", sinalou. Por canto á dirección de Alcoa, José Antonio Zan destacou que por San Cibrao "non vén ninguén". "Non queren nacionalizala, pero xa a facemos (os traballadores) funcionar nós sós", concluíu.
NOS_14380
As residencias DomusVi de Bembrive, en Vigo, e Raiola O Hórreo, en Compostela, suman máis dun cento de positivos.
A Covid volve con forza ás residencias de maiores da Galiza. En principio son dous gromos que se concentran na residencia DomusVi de Bembrive, en Vigo, onde 88 das persoas usuarias sobre un total de 150 estarían infectadas, e a residencia Raiola O Hórreo, en Compostela, con máis de 15 casos, segundo os datos facilitados desde a Consellaría de Política Social. A pesar do elevado número de contaxios, desde o departamento que dirixe Fabiola García destacan que a sintomatoloxía na maioría das afectadas é "moi leve" ou mesmo sen síntomas. Por este motivo, ao contrario do que pasara en ondas anteriores, a Consellaría tomou a decisión de non intervir estes centros. Segundo argumentan fontes deste departamento a Nós Diario, a situación "non é preocupante". "Estanse a seguir os protocolos para estes casos e observando a situación en cada momento por se hai que tomar medidas futuras, pero a día de hoxe os criterios sanitarios non requiren dunha intervención", explican desde a Consellaría. Neste senso, inciden en que "non é o mesmo" unha persoa asintomática ou que teña algo de febre, "que non implica risco para a saúde", que o que aconteceu nas anteriores vagas, cando non había vacina. "Daquela interviuse para garantir a atención sanitaria das usuarias contaxiadas", indican estas mesmas fontes. "A situación non é a que era. Por iso un gromo destas características, que noutro tempo sería algo moi grave, afortunadamente hoxe en día pode vivirse con certa tranquilidade, obviamente con moita precaución, seguimento e prevención", abundan. A intervención sería "unha solución máis extrema a una situación máis extrema" que por sorte hoxe en Vigo e Compostela "non é a que se está a dar", aseguran desde Política Social. Falla de coordinación Pola súa parte, Sonia Jalda, portavoz do colectivo Traballadoras das Residencias da Galiza (Trega) insistía na vía da intervención destes centros. En declaracións a este medio, Jalda exixía á Xunta que "cando menos" contactase coa residencia e asesorase sobre a situación xa que, alertaba, "aquí en Vigo temos xa máis de 80 positivos. Non é 100%, pero son xa máis da metade do total de usuarias". Outro aspecto sobre o que chamou a atención foi o descoñecemento dos protocolos. "Descoñecemos os protocolos Covid da sexta vaga. Os delegados e delegadas de prevención aínda non os teñen e, polo tanto, os traballadores e traballadoras non recibiron a formación adecuada, e iso é o que non pode ocorrer", denuncia a portavoz de Trega. A este respecto, indicou que esta terza feira, 11 de xaneiro, os delegados de prevención da residencia de Bembrive pediron unha reunión urxente coa dirección para a entrega dos devanditos protocolos. Ademais, Jalda alerta de que a variante Ómicron, "moi contaxiosa", está a pasar factura nos cadros de persoal. "Hai falla de persoal. A xente vai caendo e as baixas están sen cubrir", lamenta, unha situación que, se ben xa viña de antes, agora estase a agudizar, pois nestes centros hai persoal afectado á espera da confirmación dos positivos.
PRAZA_15413
Concentraranse este xoves ao mediodía ante o consulado de España na cidade, coincidindo coas protestas que están convocadas este día contra o proxecto do ministro Wert. Critican sobre todo os recortes nas bolsas e no propio programa europeo de intercambio
Este grupo de estudantes esixie "unha educación pública, gratuita e de calidade" e salienta especialmente o gran recorte que veñen de sufrir as bolsas adicionais e Erasmus Estudantes do programa Erasmus residentes en Porto e procedentes de todo o Estado protestarán ese xoves contra as políticas educativas do Partido Popular. Farano ante o consulado de España na cidade, coincidindo coas protestas que están convocadas este día contra o proxecto do ministro Wert. Os e as estudantes opóñense ás políticas do Goberno en materia educativa, que levan ao "desartellamento do ensino público" e supoñen "un gran paso máis cara á elitización e mercantilización da educación, todo enmarcado na continuación do Plano Boloña". Este grupo de estudantes esixie "unha educación pública, gratuita e de calidade" e salienta especialmente o gran recorte que veñen de sufrir as bolsas adicionais e Erasmus.
PRAZA_19826
O Ministerio de Facenda inclúe no proxecto orzamentario que tramita no Congreso unha disposición que obstaculiza a integración na Administración do persoal de servizos públicos xestionados por empresas privadas
Unha carga de profundidade contra as remunicipalizacións de servizos nos concellos con data para estourar: a de entrada en vigor dos Orzamentos Xerais do Estado para 2017, que o Goberno de España tramita no Congreso dende o pasado 4 de abril. Xunto á distribución dos fondos públicos para as diversas áreas da Administración estatal o Ministerio de Facenda inclúe tamén no seu proxecto unha disposición adicional que, se é aprobada tal e como figura no bosquexo do articulado da lei, suporá un relevante atranco para o retorno á xestión pública de servizos que na actualidade son xestionados por empresas privadas. Aínda que a restrición impulsada dende o departamento que dirixe Cristóbal Montoro afectará a todos os niveis da Administración -estatal, autonómica e local- son os concellos os que, a priori, máis afectados se poden ver pola medida, toda vez que son gobernos municipais os que, nos últimos tempos, están apostando en maior medida por reverter externalizacións de servizos. O atranco do Goberno central producirase nun dos puntos máis sensibles destes procesos, a integración do persoal dos servizos privatizados na Administración que volve asumir a xestión directa. Segundo consta no proxecto de lei dos Orzamentos, dende que esta entre en vigor e con "vixencia indefinida", "non poderán" ter a consideración de "empregados públicos" dunha Administración ou dunha entidade dependente desta "os traballadores dos contratistas de conceisóns de obras ou servizos ou de calquera outro contrato adxudicado polas Administracións públicas" cando "o contrato se exitinga polo seu cumprimento, por resolución, incluído o rescate". Mesmo se o goberno de que se trate intervén pola vía do "secuestro ou intervención do servizo" -por exemplo, cando a empresa adxudicataria non cumpre co contrato- non poderá asumir o persoal. A disposición incluída por Facenda obstaculiza a integración na Administración do persoal do servizo que regrese á xestión pública Do mesmo xeito, o novo límite legal atinxirá nos mesmos termos ao persoal laboral de entes públicos que pasen a integrarse na Administración -como empresas públicas, consorcios ou fundacións-. Adicionalmente, a disposición impulsada polo gabinete de Rajoy prevé que, cando "excepcionalmente" por razóns como unha condena xudicial este tipo de persoal teña que ser incorporado a unha empresa pública, "contabilizarase como persoal de novo ingreso". Deste xeito estará afectado pola taxa de reposición que o Goberno de España fixe cada ano e, polo tanto, o Concello ou goberno autonómico estará "suxeito aos límites e requisitos establecidos" polo Estado. Como informa Marta Barandela para eldiario.es, o procedemento máis habitual para integrar estes planteis nos servizos remunicipalizados veu sendo a súa consideración como persoal indefinido non fixo. A continuación, a Administración que recupera o servizo adoitaba artellar os procesos para unha incorporación definitiva. Procesos en marcha en Galicia Nun momento en que os concellos galegos están a reclamar, tanto individualmente como a través da Fegamp, que o Ministerio de Facenda rebaixe as súas esixencias e outorgue maior marxe de manobra -a Administración local de Galicia, resaltan, é "a máis cumpridora" en termos económicos e financeiros-, o Goberno de España restrinxe así un chisco máis o escenario aberto tras a controvertida reforma local, a alcumada como lei Montoro. Tras perderen durante a crise o dobre de persoal que a Xunta por, entre outros motivos, estas restricións, a norma incluída nos Orzamentos pon en risco procesos de remunicipalización xa en marcha, como as bibliotecas da Coruña ou os a ORA e o guindastre en Santiago. Outros municipios galegos tamén abordan -e algúns deles xa culminaron- a reversión de servizos ao ámbito público, caso de Lugo, Teo, Zas ou Arteixo. O Concello de Santiago debaterá no vindeiro pleno a remunicipalización da ORA e o guindastre, que o alcalde insta a completar antes de que o Goberno central aplique a nova restrición Nunha destas remunicipalizacións, a dos servizos composteláns de ORA e guindastre, os plans do Goberno central chega no treito final do proceso e vén de levar o Goberno local a procurar acelerar os prazos. Despois de que, nos primeiros días da abril, a comisión municipal que aborda a remunicipalización aprobase a memoria do proceso -cos votos a prol de Compostela Aberta, incluído o sufraxio de calidade do alcalde, a abstención do BNG e os votos negativos de PP e PSOE-, o goberno local prevé facelo pasar polo vindeiro pleno. A xuízo do rexedor da cidade, Martiño Noriega, cómpre aprobar esta remunicipalización antes de que os Orzamentos Xerais do Estado completen o seu trámite parlamentairo, xa que "este non é un debate pacífico". Dende o seu punto de vista, a disposición impulsada dende o Goberno central ten como obxectivo preservar "grandes intereses privados", tal e como tamén demosta, por exemplo, o feito de que "recorrese a decisión do Concello de Valladolid de municipalizar a auga". Esta nova disposición adicional, di Noriega, ten tamén o "obxectivo de impedir os procesos de remunicipalización".
PRAZA_15652
A alta comisionada admite a trámite a queixa dun cidadán e lembra a xurisprudencia na que se establece a obriga das entidades dependentes da Administración estatal a empregar tamén con normalidade os idiomas oficiais diferentes do castelán.
O Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) é legalmente unha axencia dependente do Ministerio de Economía. En Galicia conta cunha delegación e cinco centros, un dos cales, o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, herdeiro de boa parte do legado do Seminario de Estudos Galegos, é de titularidade compartida coa Xunta, que ademais colabora economicamente co CSIC en diversos proxectos. No entanto, o organismo exclúe a lingua galega na práctica totalidade das súas comunicacións e por este motivo terá agora que render contas ante a Valedora do Pobo. Un cidadán dirixiuse á alta comisionada para queixarse formalmente polo feito de que "toda a comunicación corporativa desta entidade se realiza integra a exclusivamente en castelán", evitando o galego, "tanto na súa páxina web e redes sociais -Facebook e Twitter- como en notas de prensa, comunicacións, dípticos ou presentacións". A xuízo do impulsor desta queixa esta exclusión "vulnera de cheo todo o edificio dos dereitos lingüísticos das galegas e galegos", algo que resulta de "especial gravidade" polo "carácter público desta institución", di. Na queixa, formulada o pasado novembro, o seu impulsor lembra que o CISC obtén "permanentemente" recursos económicos da Xunta, que ademais impulsa un programa de I+D nos cinco centros da axencia no país. Neste escenario, indica, "resulta intolerábel que unha institución pública directamente vencellada á Administración" prescinda "de maneira absoluta do menor respecto pola legalidade básica e institucionalice deste xeito tal atentado aos dereitos lingüísticos da poboación sen o mínimo decoro". "O uso normal e oficial da lingua galega na actividade do CSIC é unha esixencia normativa e xurisprudencial", lembra a Valedora Nos últimos días de decembro a Valedora respondeu a queixa non só admitíndoa a trámite, senón avalando que ten sustento dabondo como para pedir explicacións do CSIC. No texto asinado pola titular da institución, Milagros Otero, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, a comisionada parlamentaria explica que, malia ser o CSIC unha entidade estatal, "nestes supostos relativos ao uso da lingua galega é procedente, en aras do principio de colaboración, solicitar informes sobre o problema exposto", toda vez que a institución do Valedor do Pobo ten, "de maneira especial", que velar polos dereitos que dimanan do Estatuto de Autonomía. A alta comisionada reclámalle ao CSIC un informe pola exclusión do galego ao fío da queixa dun cidadán Así as cousas, a Valedora inicia "as actuacións oportunas ante a Delegación en Galicia do CSIC", a comezar por requirirlle un informe sobre a cuestión. Sen prexuízo do desenvolvemento posterior do proceso Milagros Otero xa advirte de que "o uso normal e oficial da lingua galega na actividade do CSIC é unha esixencia normativa e xurisprudencial". "Ningún órgano ou organismo dependente da Administración central do Estado radicado en territorio da comunidade autónoma pode obviar ou demorar o seu cumprimento" e así ficou claro en sellas sentenzas do Tribunal Constitucional de 1986 e 1988, resalta.
NOS_28961
A colaboración e traballo conxunto da Xunta de montes de Medeiros, Concello de Monterrei e adegas Martín Códax fai posíbel un ambicioso proxecto no que combinan cultura, arqueoloxía, viticultura ou paisaxe.
O Muro de Medeiros é unha fortificación da Idade de Ferro situada nas proximidades da aldea de Medeiros, en Monterrei. O sitio arqueolóxico, que fata de hai 2.200 anos, está situado a 603 metros de altura, aproveitando a configuración dun outeiro rochoso de grandes batolitos graníticos que intermedia na confluencia de dous ríos: o regato de Biduedo e o regato de Porto do Rei. Embora as súas modestas dimensións, posúe unha masiva muralla de pedra que rodea a cima. Trátase dun dos sitios arqueolóxicos investigados historicamente polos eruditos da rexión, como Don Manuel Taboada Chivite. Posúe, ademais, unha das máis importantes concentracións de lagares rupestres do noroeste peninsular, que poñen en valor a cultura do viño existente na comarca de Monterrei. "O proxecto pretende converter o sitio arqueolóxico e a súa contorna nun espazo de interese cultural e arqueolóxico determinante para coñecer a poboación prehistórica do val de Monterrei e o nacemento da cultura do viño" Un proxecto presentado esta sexta feira procura recuperar e rehabilitar o castro, ao tempo que pon en alza a cultura do viño de Monterrei. "Unha iniciativa que foi só posible grazas á colaboración de comunidades de veciños, a administración pública e a empresa privada xa que está promovida polo Concello de Monterrei, patrocinada polo godello Mara Moura e na que colaboran a Xunta de Montes de Medeiros e a Universidade de Santiago de Compostela", indican os responsábeis. Primeiros pasos e futuro Durante o 2016 as principais accións acometidas foron a limpeza e accesibilidade do castro, a topografía e identificación das superficies arqueolóxicas derivadas desa limpeza, a elaboración do sitio web, así como a recollida da tradición oral inmaterial do xacemento e a elaboración de modelos 3D tanto do castro como dos lagares rupestres, pasos todos estes previos a unha intervención máis ampla. "O proxecto do Muro de Medeiros pretende converter o sitio arqueolóxico e a súa contorna nun espazo de interese cultural e arqueolóxico determinante para coñecer a poboación prehistórica do val de Monterrei e o nacemento da cultura do viño". Estamos a falar dun emprazamento espectacular cunhas soberbias vistas do territorio, unha muralla e 32 lagares que permitirán ao visitante explorar un territorio no que o viño leva producindo desde tempos inmemoriais. Nos próximos anos realizaranse sondaxes arqueolóxicas para coñecer a cronoloxía do xacemento, estudaranse os lagares rupestres e desenvolveranse outras inciiativas A lenda do Muro de Medeiros e o viño Mara Moura O espazo do castro do Muro de Medeiros está cheo dunha riquísima tradición oral que se está a recuperar. Entre elas, a atípica lenda dunha moura que, en agradecemento á hospitalidade das xentes de Medeiros, regálalle a planta do viño. É a Moura Mara, que pasa dar nome a un viño que está elaborado a partir dunha selección de viñedos de altura de godello da Denominación de Orixe. Monterrei.
NOS_1006
O Servizo Galego de Saúde é unha empresa na que as mulleres representan case 80% do persoal. Se ben os sindicatos advirten que é pronto para sacar conclusións dos datos que veñen de recibir, apuntan a unha "segregación vertical" das mulleres dos postos de maior responsabilidade, das dificultades para conciliar ou da eventualidade e da temporalidade das traballadoras.
Se as mulleres paran, a sanidade pública galega para. Elas representan 77,8% do persoal do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Así consta no documento de diagnose presentado polo propio Sergas aos sindicatos, un paso máis no camiño a aprobar un plan de igualdade de xénero. A porcentaxe de mulleres increméntase, di o informe, entre o persoal de menor idade. As mans que fixeron fronte á pandemia da Covid-19 son, maioritariamente, femininas. A presenza das mulleres é especialmente relevante na atención hospitalaria, se ben se reduce nalgúns ámbitos. É o caso do persoal facultativo, con 6 de cada 10 profesionais mulleres. Nas restantes categorías a distancia agrándase, coa segunda menor fenda no persoal de xestión e servizos, con case 30% dos postos cubertos por homes. Dificultades para conciliar En 2018 constituíuse a comisión de igualdade para traballar no que será o primeiro plan do Sergas. "Chegou once anos tarde, foi en 2007 cando se aprobou a lei orgánica para a igualdade efectiva de mulleres e homes", lamenta Ester Mariño, técnica de igualdade da CIG e asesora na mesa da comisión. A pandemia acrecentou aínda máis esta demora. A primeira e segunda fases de cinco complétase coa diagnose e identificación dos problemas que o Servizo Galego de Saúde achegou aos sindicatos. "É cedo para facer unha valoración, porque estes datos non sacan á luz as realidades máis concretas que nós percibimos co noso traballo", di Mariño. Para Carmen Rivas, secretaria do Sindicato de Enfermaría, a foto ampla que tomou o propio Sergas amosa como "moitas das desigualdades que percibimos teñen resposta no papel da muller na sociedade". "As retribucións salariais de base son as mesmas en todas as categorías, mais elas optan en menor medida a complementos retributivos que impliquen máis horas de traballo para poder coidar menores ou maiores ao seu cargo", valora Rivas en conversa con Nós Diario. "Non só porque o Sergas sexa unha empresa feminizada. Se comparamos a información de maneira proporcional, son elas as que máis solicitan excedencias e reducións de xornada. A conciliación non é real", resalta Emilia Lamas, de CCOO, en declaracións a este medio. Lamas tamén fai fincapé no "tremendo teito de cristal" que afasta as mulleres dos postos de maior responsabilidade. "Nos cargos intermedios non atopamos esta falta de paridade. Pero, por exemplo, das sete áreas sanitarias da Galiza só unha ten unha muller na xerencia, a de Compostela", explica. "Hai unha clara segregación vertical", remacha Mariño. Maioría de temporais As dificultades para conciliar acrecéntanse nas persoas anotadas nas listas de contratación temporal, 85,1% mulleres. Redunda o Sergas que isto se debe "ao alto número de mulleres que figuran como aspirantes". Segundo un informe do Consello de Contas con base nos datos de 2018, a temporalidade na sanidade galega situouse en 43% na atención hospitalaria e 31% na Primaria. Ambas as dúas aumentaron 3% respecto a 2017. "A taxa de contratación temporal e a tempo parcial é moi importante. Cómpre tomar medidas ao respecto no plan de igualdade. Esas listas de contratación obrigan as profesionais a vivir por e para o Sergas, permanentemente pendentes dos seus teléfonos", asegura Mariño. "Temos que falar de como implantar medidas para que as persoas que concilien puntúen nas Ofertas Públicas de Emprego que se convoquen", observa. No mes de xaneiro está previsto que os sindicatos poñan as súas propostas enriba da mesa", abunda Lamas. Eventuais piden unha OPE Precisamente onte médicas e médicos eventuais e interinos de toda a Galiza presentaron máis de 1.200 sinaturas reclamando unha Oferta Pública de Emprego extraordinaria para rematar cunha situación laboral que catalogan de "irregular e precaria". "Algúns encadeamos contratos desde hai moitos anos, nalgún caso mesmo desde dez", critican. Unhas condicións análogas ás denunciadas polas Enfermeiras Eventuais en Loita e que están a ser investigadas actualmente pola Comisión Europea.
NOS_47770
Unha petición en Change.org procura sinaturas en contra da particular interpretación que a policía española fai do regulamento contra a prevención da violencia, amparándose no artigo que prohibe nos estadios "pancartas, bandeiras ou símbolos que inciten á violencia ou ao terrorismo", malia permitiren bandeiras españolas coa aguia franquista
O Movemento polos dereitos civís vén de rexistrar unha petición na páxina de Change.org para exixir perante o Valedor do pobo que cese o veto ás bandeiras galegas nos recintos deportivos. "Semella que o avance nas liberdades públicas é máis cosmético que real", sinala o colectivo, subliñando que o xugo ás manifestacións ideolóxicas aperta "como en 1976". Ao fío, ligan un titular publicado na imprensa nese ano en que se daba conta dun requisamento das bandeiras nacionalistas galegas que portaban @s manifestantes nun acto convocado polo Día do Estatuto Galego. Máis de trinta anos despois, en "democracia", esta semana Sermos Galiza publicou outro titular nos mesmos termos para dar conta do veto a unha bandeira nacionalista que portaba un siareiro do Dépor e que lle foi requisada após retelo media hora. A acta policial fala de "bandeira independentista galega" a borda este símbolo nacional como "unha cuestión de orde pública". Desta volta nin sequera se pode alegar o condicionante de "perigosidade" que a policía española achacou o Día da Patria de 2010, cando impediu a entrada en determinados locais a quen portaba 'estreleiras' porque o pau podía empregarse como arma contra @s asistentes a un acto relixioso na Catedral de Compostela. Porén, o siareiro do Dépor levaba a bandeira atada á cintura. Requisan simboloxía galega e permiten bandeiras españolas preconstitucionais Siareir@s do Celta teñen relatado na páxina web meuCelta.com como en xaneiro de 2013 a policía española esperou polos autocarros que viaxaron a Madrid desde a Galiza "ás aforas" da cidade, "subiron e ordenaron que baixaramos de dous en dous retirando bandeiras de peñas e camisolas e obrigando a se identificaren todos os que portabamos algunha simboloxía". Conclúe a petición do Movemento polos dereitos civís sinalando como namentres os símbolos nacionalistas da Galiza se requisan nos estadios si se permiten bandeiras españolas coa aguia franquista, tal e como constataron @s seguidor@s do Dépor. Malia isto, a policía explicou que o requisamento das 'estreleiras' responde a unha interpretación do real decreto 203/2010, de 26 de febreiro, polo cal foi aprobado o regulamento de preventión da violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte, recollendo un apartado que fala da prohibición no recindo de "pancartas, bandeiras ou símbolos que inciten á violencia ou ao terrorismo".
PRAZA_7403
Os colectivos participantes no proxecto O Monte é noso_sachando procomún reuníronse en Alg-a esta fin de semana para desenvolver un proxecto pionero en Galicia que vincula os montes comunais á innovación social e tecnolóxica.
O procomún é un concepto relativamente novo (e que se explica moi ben neste vídeo de MediaLab Prado) pero en realidade fai referencia a unha idea que vén de vello: que algúns bens pertencen a todos e todas, e que polo tanto deben ser activamente protegidos e xestionados polo ben común. E Galicia posúe unha realidade viva única no mundo -os montes comunais- na que estes mecanismos e estruturas de propiedade funcionan á perfección, ordenando o territorio de forma sustentable e beneficiando as comunidades que nel viven. Un grupo de investigadores e activistas ligados a MediaLab Prado visitou de feito a comunidade de montes de San Antón de Irixoa este verán. A rede botábase ao monte para aprender dunha practica de xestión comunitaria con séculos de historia. O Monte é noso_Sachando procomún é un proxecto colaborativo e horizontal que procura facilitar a visibilidade dos montes comunais e das comunidades que as xestionan É é que as montes veciñais en mancomún teñen como característica que a propiedade é comunitaria, nin depende do estado nin está en mans privadas: depende da colectividade que reside de forma cotiá nun determinado territorio. Galicia conta con aproximadamente 3000 comunidades de montes en mancomún, que xestionan perto de 700.000 ha de territorio galego, o que representa 29,85% da superficie forestal. A titularidade comunitaria implica na xestión do territorio unha parte considerable da poboación, na volta de 150.000 comuneiros e comuneiras. Porén, son ben sabidas as ameazas que fan perigar a continuidade desta forma de propiedade, acosada pola agroindustria e por intereses políticos das administracións públicas. Neste proceso de ida e volta os colectivos que fan parte do proxecto queren aprender dos seus mecanismos de xénese e xestión para aplicalos a otros eidos. Tamén se procura revalorizar estes mecanismos, insertándoos na lóxica do procomún Neste senso O Monte é noso_Sachando procomún é un proxecto colaborativo e horizontal que procura facilitar a visibilidade dos montes comunais e das comunidades que as xestionan, así como a reapropiación destes montes por parte dos veciños e veciñas por ser estes garantes na sustentabilidade dos territorios. Outros dos obxectivos do grupo O Monte é noso é motivar os comuneiros a que sexan partícipes da multifuncionalidade don montes e da súa revalorización. Neste proceso de ida e volta os colectivos que fan parte do proxecto queren aprender dos seus mecanismos de xénese e xestión para aplicalos a otros eidos. Tamén se procura revalorizar estes mecanismos, insertándoos na lóxica do procomún. O proxecto foi premiado no Concurso 10×10 convocado pola Fundación Contemporánea e o Concello de A Coruña sobre Emprendimento Cultural. Nel participan a comunidade de artistas Alg-a, o colectivo de acción social Rural Contemporánea, a Asociación Artesáns de innovación, o colectivo de arquitectos Tecnoloxías Apropiadas ou o colectivo de creación audiovisual Constelaciones. Tamén colaboran o Centro Veciñal e Cultural de Valadares, a Comunidade Veciñal do Monte de San Antón de Irixoa ou o Grupo de Investigación Socio Territorial IDEGA da USC. Fran Quiroga: "a nosa intención é buscar dende a cultura, dende as artes e dende as tecnoloxías da información a forma de visibilizar este fenómeno, estudalo dende o campo da cultura libre e do software libre e ver se este sistema podería ser replicable a outros ámbitos" Como explica Fran Quiroga: "a nosa intención é buscar dende a cultura, dende as artes e dende as tecnoloxías da información a forma de visibilizar este fenómeno, estudalo dende o campo da cultura libre e do software libre e ver se este sistema podería ser replicable a outros ámbitos". Engade que "o que nos interesa máis é coñecer os modelos de gobernanza: analizar como nestes lugares se establecen redes de apoio mutuo diferentes ás que se crean nos lugares nos que non hai montes comunais". Encontro en Valadares "Esta dimensión inmaterial ou intanxible na que estamos afeitas a traballar as persoas e colectivos que propomos esta iniciativa, parécenos especialmente interesante como complemento á normalmente máis habitual ou coñecida dimensión material do monte" Esta fin de semana os grupos que participan o proxecto celebraron no espazo Alg-a lab en Valadares (Vigo) a primeira Malla O Monte é noso para compartir visións e experiencias sobre o caso concreto dos montes comunitarios e sobre todas as modalidades de propiedade alternativa ao binomio público e privado. Houbo workshops, reunións de subgrupos e unha Open Noite na que se proxectaron documentais como O Monte é noso de Llorenç Soler. Asimesmo desenvolvéronse roteiros de coñecemento nos montes comunais co obxectivo de gravar e documentar os uso que se fan dos montes. O proxecto busca apoiar as comunidades de montes existentes e poñelas en valor pero tamén procura aprender da súa experiencia para aplicala a outros ámbitos fisicos ou virtuais: "aspiramos a entender novos modelos de gobernanza a partires de estudar, (re)situar e traballar activamente nos montes en mancomún como exemplo de procomún". Os contidos desta proposta entran en relación co que denominan patrimonio inmaterial dos montes. Afirman que "esta dimensión inmaterial ou intanxible na que estamos afeitas a traballar as persoas e colectivos que propomos esta iniciativa, parécenos especialmente interesante como complemento á normalmente máis habitual ou coñecida dimensión material do monte". O obxectivo é que xa no mes de abril estean dispoñibles as primeiras aplicacións, centradas nun comezo nos montes comunais de Vigo e nos da comunidade de San Antón de Irixoa Entre as accións concretas que está levando a cabo este grupos atopamos un mapa interactivo dos montes comunais galegos e un dispositivo de coñecemento colectivo nunha web aberta, colaborativa e libre. Dará lugar a unha ferramenta de xeovisibilización de contidos (mapa interactivo) para que, dun xeito moi sinxelo e lúdico, todos (comuneiros ou interesados) poidan utilizala e contribuir na construción participativa do coñecemento colectivo que rodea aos montes, organizando a información nun mapa en diferentes "capas" ou temáticas segundo o interese das propias persoas usuarias que o utilicen. O obxectivo é que xa no mes de abril estean dispoñibles as primeiras aplicacións, centradas nun comezo nos montes comunais de Vigo e nos da comunidade de San Antón de Irixoa. Tamén se van levar a cabo residencias temporais de investigación, intervención ou acción creativa nos montes Tamén se van levar a cabo residencias temporais de investigación, intervención ou acción creativa nos montes. Nelas diferentes persoas desenvolverán in situ intervencións nos montes, a través da interacción co seu entorno físico e humano. Nestas residencias, ademais da realización de proxectos específicos para os montes, desenvolveranse outras accións paralelas, como pequenos talleres, accións puntuais, presentacións aos medios, exposicións, eventos, e encontros cos comuneiros e tecido asociativo local. A primeira porase en marcha en Valadares, precisamente, e está previsto facer unha convocatoria aberta de carácter internacional.
NOS_44815
O vice-portavoz de En Marea Antón Sánchez compareceu esta segunda feira para avaliar a proposición non de lei de fomento de iniciativas empresariais rexistada no Pazo do Hórreo polo PP. A iniciativa, acha o tamén portavoz nacional de Anova, insírese na "política de Feijóo" de "vender o país a pedazos e prezo de saldo".
O PP estaría a entregar "o noso territorio" en troca de "nada" ou "o que é pior, da destrución da nosa paisaxe e do noso meio ambiente", avalía o vice-portavoz parlamentar da confluencia. "O Goberno Feijóo está a especializar Galiza na produción de materias primas baratas que non crían valor engadido, mais si provocan un forte impacto no territorio", enfatizou Sánchez, que denunciou que a iniciativa do PP, coa excusa de eliminar atrancos administrativos, o que fai é "acabar coas garantías ambientais e a participación pública da cidadanía. Denuncia tamén a forma en que o PP coloca o debate -a proposición vaise tramitar pola vía de urxsencia- ao furtar á Cámara a hipótese dun debate máis pormenorizado e con maiores posibilidades de intervención para a oposición. Sería, entende Sánchez, un "desprezo máis" dunha formación política que ten feituras de "partido totalitario" e que se caracteriza pola súa "sobreactuación na publicidade e na propaganda". Moito teatro e "pouca organización e planificación", alega o vice-portavoz. Quen si planifica, afirma, serían as grandes empresas, nomeadamente nos sectores eléctrico, mineiro ou forestal: "Feijóo unicamente fai o que lle mandan". Liberalización no sector eólico Na industria do vento, a iniciativa do PP procura unha maior desregularización, o que favorece a concentración do sector en mans das empresas máis poderosas. Pérdese a oportunidade de estabelecer un canon eólico que pemitise un maior retorno social dos beneficios empresariais.
NOS_36664
A iniciativa propón modificar o currículo das materias de Arte en Bacharelato para incluír artistas femininas.
Perto de 6.000 sinaturas nunha semana. Ese é o apoio recibido pola iniciativa impulsada por Miriam Varela, historiadora da Arte de Ferrol, que a través de change.org quer socializar esta demanda. "Oficialmente as mulleres estamos apartadas do discurso artístico. Cun currículo xa de por se apertado, as profesoras e profesores interesados en ensinar estoutra metade da Historia da Arte teñen que facer verdadeiros malabarismos temporais para poder sacar á luz estas autoras que están excluídas dos contidos oficiais de obrigatorio coñecemento para superar a materia", indica nun comunicado. "Atopámonos nun momento no que a reivindicación do papel da muller nas artes está a vivir un verdadeiro apoxeo", sinálase no texto da petición. "Empezamos a atopar algúns estudos sobre artistas de gran importancia como Sofonisba Anguissola, Clara Peters, Artemisia Gentileschi, Angelica Kauffman, Rosa Bonheur, Hannah Höch, Maruxa Mallo ... mulleres que tiveron un papel fundamental na súa época, foron referencia, dirixiron academias, recoñecidas polos seus compañeiros, mecenas e público". "Non é abondo para reconstruír o pasado un estudo separado destas figuras en "monográficos de mulleres" senón que debemos introducilas no discurso xeral creando unha soa Historia inclusiva". "Por iso e aproveitando o momento de revisión da educación ao amparo da nova lei de educación "A lei Celaá" pedimos ao Ministerio de Educación e ás diferentes Consellarías de Educación das Comunidades Autónomas unha revisión dos currículos das materias de Historia da arte, Fundamentos da arte e Historia para incluír nelas ás mulleres creadoras non como un epígrafe anecdótico senón como parte do discurso maxistral das materias como contidos avaliables e dentro das recomendacións de autores que se consideran esenciais para as Avaliacións de Aceso á Universidade".
PRAZA_19134
"A solución extraxudicial permitiralles aos bancos demorar os pagos e ofertar a modo de rebaixas fórmulas de compensación que prexudicarán os afectados", denuncia a entidade
A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) rexeita o real decreto lei aprobado este venres polo Consello de Ministros, que propón unha solución extraxudicial á devolución das cantidades cobradas de máis polos bancos aos seus clientes coa aplicación das cláusulas de chan hipotecarias. O pasado 23 de decembro, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea confirmou a nulidade das cláusulas e a obriga de reintegrarlles aos consumidores, con carácter retroactivo ilimitado, o diñeiro cobrado de máis. A proposta incluída no decreto, que foi acordada cos grupos parlamentarios de Ciudadanos e PSOE, entrou en vigor este sábado e, entre outros aspectos, dálles aos bancos un prazo de tres meses para devolverlles os cartos aos clientes afectados. "A solución extraxudicial permitiralles aos bancos demorar os pagos e ofertar a modo de rebaixas fórmulas de compensación que prexudicarán aos afectados" O secretario xeral de Acouga, o avogado Xoán Antón Pérez-Lema, amósase partidario da reclamación por vía xudicial das cantidades ás que teñen dereito, por entender que "a solución extraxudicial permitiralles aos bancos demorar os pagos e ofertar a modo de rebaixas fórmulas de compensación que prexudicarán aos afectados". "Á banca en xeral non lle interesa unha solución integral e rápida do asunto; prefiren diluír os efectos prexudiciais para eles ao longo de varios exercicios", sinala o letrado. Pérez-Lema engade que "o decreto-lei non crea un sistema de arbitraxe nin de mediación, ao que Acouga si estaría aberta, simplemente propón un mecanismo de negociación bilateral desequilibrada a prol do banco, e os consumidores só poden perder cunha solución desta caste". Malia que Acouga está en contra de negociar cos bancos nestas condicións, o seu presidente, Manuel Pérez Arias, anunciou que a asociación, como entidade sen ánimo de lucro, "ofreceralles de xeito gratuíto asesoramento e información aos socios que decidan acudir á vía de negociación bilateral que abre o decreto-lei".
PRAZA_10783
O devalo demográfico é un dos principais problemas do país e as administracións publicitan todo tipo de facilidades. Durante as cinco fins de semana de agosto contamos os trámites, trabas e dúbidas a que se enfronta unha familia acabada de nacer na súa relación coas administracións. No terceiro capítulo, as dificultades de conciliar mentres se atopan recursos para conciliar.
O devalo demográfico é un dos principais problemas do país. Durante as cinco fins de semana de agosto contamos os trámites, trabas e dúbidas a que se enfronta unha familia acabada de nacer na súa relación coa administración. No terceiro capítulo, as dificultades de conciliar mentres se atopan recursos para conciliar.Antes mesmo de que o bebé protagonista desta serie de reportaxes chegase ao mundo con 35 cueiros baixo o brazo e de que comezase o seu peregrinar de oficina en oficina da administración para formar parte da cidadanía, os proxenitores xa se tiveron que preocupar, entre as inquedanzas sanitarias de todo embarazo, por buscarlle unha gardería a quen aínda non nacera. Porque os tempos da natureza non sempre van ao ritmo dunha Administración e igual que a Tarxeta Benvida se recibe catro meses despois do nacemento, as garderías hai que buscalas antes.Malia ser supostamente recursos de conciliación, a administración segue a tratar as garderías como centros educativos que inician o curso en setembro e o rematan en xullo de xeito que as inscricións para o seguinte curso hai que realizalas ao longo da primavera. Naza cando naza o rapaz. Ese é o período ordinario e calquera outro momento no que se queira realizar unha inscrición, ademais de estar condicionado pola falta de prazas, xa ocupadas polos que accederon antes, depende de que a circunstancia que o motive, debidamente acreditada, sexa considerada xustificada por parte da administración. Ata hai pouco, máis difícil aínda, non se podía pedir praza ata que nacese o bebé.A rede de garderías públicas non é única; non é só que haxa garderías municipais e garderías da Xunta, é que a propia Xunta conta con dúas redes paralelas para as que hai que formular solicitudes distintasPero sen poñerse no peor, tampouco pedir praza nunha gardería pública no período ordinario de matrícula resulta doado. Pode coincidir, como foi o caso, que ese período chegue co bebé acabado de nacer, o que dificulta a mobilidade da familia para conseguir os documentos precisos e presentar as solicitudes. Ademais, a rede de garderías non é única. Non é só que haxa garderías municipais e garderías da Xunta. É que a propia Xunta conta con dúas redes paralelas, unha de garderías xestionadas a través da Axencia Galega de Servizos Sociais, e outra a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, este último con participación dos concellos. E hai que formular unha petición distinta para cada unha desas dúas redes de garderías. Ou tres, contando coas municipais. Ou catro, se engadimos as privadas, cada unha cos seus propios procedementos. Porque a ver quen se arrisca a pedir praza nunha soa gardería e logo non obtela. As garderías da Xunta amósanse estritas cos horarios de entrada e saída con independencia de que os proxenitores poidan algúns días coidar eles mesmos dos bebés e evitar que así pasen tanto tempo nos centrosNo caso das dúas redes de garderías da Xunta, ademais, os impresos son similares (ollo, un chámase BS404A e o outro BS402A) pero os requisitos de documentación lixeiramente distintos. Nos dous casos, as familias poden solicitar dúas garderías como primeira e segunda opción, nas que obterán praza en función de parámetros como a renda ou outras circunstancias familiares (si, ao igual que na baixa por paternidade ou maternidade, ou á hora de adaptar ou reducir os horarios laborais, o funcionariado da Xunta ten privilexios a respecto do resto de galegos e galegas). Pero tamén en función do horario que soliciten. Porque si, malia que as garderías disque son para conciliar, o horario, limitado a un máximo de 8 horas ao día, póñeno elas. E ese, xunto co emprazamento da gardería (nas vilas ou cidades onde haxa varias), adoita ser a principal preocupación das familias.A familia protagonista desta reportaxe podía adaptar a hora de entrada do seu bebé, pero interesáballe que a hora de saída puidese ser non antes das 18 horas, algo que non ofrecen todas as garderías, nalgúns casos parecería que pensadas para acoller a fillos ou fillas de cidadáns de calquera país de Europa excepto do que ten uns horarios vespertinos máis contrarios á conciliación. Pero nunha visita, previa a formular as solicitudes, a unha das garderías públicas que supostamente tiña apertura oficial ata as 18 horas a súa directora, ao tempo que atendía a un familiar seu presente no despacho, comunicaba que iso podía non ser así. Se finalmente non había demanda suficiente de familias, podía establecerse que a hora límite se adiantase ás 17 horas. "E que facemos se nos dan praza aquí coa idea de traelo ata as 18 horas e despois a gardería pecha ás 17?". A resposta foi un encollemento de ombreiros. Iso si, as garderías da Xunta deixan ben claro que a flexibilidade de horario que a administración se dá a si mesma non é aplicable aos proxenitores. O horario que indiquen para o seu fillo ou filla debe ser o mesmo sempre e non poderán levalo ao centro máis tarde ou recollelo antes. "E se polo noso traballo temos a posibilidade de que algúns días o bebé pase menos tempo na gardería e máis tempo con nós?" Non, salvo excepcións como ir ao médico. Que creran os pais? Que as garderías son para conciliar?As garderías públicas hai que pagalas e os seus prezos nalgúns casos non difiren moito dos dalgunha gardería privadaRealizadas pois varias solicitudes a varias garderías con varias posibilidades horarias polo que poida pasar, o seguinte paso é estar pendente do Diario Oficial de Galicia, que será onde a Xunta anuncie que xa baremou as solicitudes recibidas e que os interesados teñen praza en tal ou cal gardería. E si, como hai dúas redes distintas, poden obter praza en dúas garderías distintas, que deben escoller e na que deben formular matrícula (nun prazo determinado do que non se informa directamente aos solicitantes senón a través do Diario Oficial de Galicia) certificando nese trámite, como última novidade do proceso, que o bebé conta coas vacinas ao día (nese aspecto afondaremos na próxima entrega desta serie). Pero non, a familia desta reportaxe non se matriculou. Vendo as dificultades para garantirse un horario adecuado e os obstáculos que puñan nas garderías públicas para que o bebé pasase sempre que fose posible máis tempo cos proxenitores que no centro, optara por unha privada. Ben, por iso e porque as garderías públicas hai que pagalas e os seus prezos nalgúns casos non difiren moito dos dalgunha gardería privada. Si, o seu funcionamento canto aos prazos de matrícula e horarios de permanencia no centro é como o dun colexio público, pero mentres estes son gratuítos porque así o esixe a educación universal, non ocorre o mesmo coas garderías, con tarifas, en función da renda, que poden chegar aos 243 euros ao mes co comedor incluído. Para as familias que non obteñan praza nunha gardería pública a Xunta creou o Bono Concilia co que subvenciona unha privadaTamén pode ser que non obteñas praza na gardería pública que solicitaches, e para iso a Xunta creou o denominado Bono Concilia, unha achega económica, tamén en función da renda familiar, para que quen non logre praza pública (ou porque non haxa no seu concello) teña unha axuda para pagala nun centro privado. Pode que alguén teña a tentación de pedir praza nunha única gardería pública moi solicitada coa expectativa de que lla deneguen para así ter acceso ao Bono Concilia co que sufragarse unha gardería privada máis cara da súa elección. Pero primeiro tería que ter garantida esa praza privada, algo que non é doado polos prazos de matrícula non sempre coincidentes dos centros privados ou porque xa estean completos. Moito risco para acabar pagando o mesmo nunha ou noutra cando o que tes na cabeza é que o bebé estea atendido o mellor posible nun lugar que resulte cómodo para que a familia concilie. Porque diso ían as garderías, de conciliar, non? Próxima entrega:Ter un bebé en Galicia (capítulo 4): Vacínao, pero págao ti
NOS_39435
O Goberno estatal négase a tramitar no Congreso a proposición de lei do Parlamento da Galiza para a transferencia da AP-9, unha iniciativa impulsada polo Bloque. Pontón cualifícao de "tomadura de pelo".
Hai 8.000 millóns de euros para resgatar as radiais madrileñas e cero euros para Galiza deixar de ter as peaxes máis caras do Estado, denuncia a líder do BNG. Estaríamos perante un asunto de país e iso leva a Pontón a, nunha iniciativa sen precedentes, se dirixir por carta aos líderes do resto das formacións con representación parlamentar -Feijóo, Villares e Leiceaga- para forzar politicamente que o asunto se poda acabar sustanciando no Congreso dos Deputados. O contido da misiva é o mesmo para os tres interlocutores. Pontón demanda unha "reunión mañá mesmo para que nos podamos sentar todas as forzas políticas e deseñarmos unha estratexia para acadar a transferencia da AP-9 e acabar de vez coas peaxes abusivas que pagan as galegas e os galegos". Consciente de que é moi improbábel que Feijóo secunde a iniciativa, a portavoz nacional do BNG advirte: "Se Feijóo non participa admite que el é parte desta estratexia de burla que nos quere tomar por parvos". Pontón non ve solventes os argumentos invocados por Fomento para recusar a tramitación da iniciativa no Congreso. "É un agravio xustificado con argumentos falsos, porque é falso que a AP9 sexa a vía de entrada a Portugal e é falso esconderse tras un problema económico cando ese mesmo goberno está disposto a poñer 8.000 millóns de euros para resgatar as radiais madrileñas", di a portavoz do grupo parlamentar do BNG. Que alega o Goberno español? O Goberno fai uso dunha potestade extraordinaria, a que o faculta para vetar aquelas proposicións de lei que implicarían un custo económico non contemplado nos orzamentos do Estado. Parte dun suposto irreal, o de considerar que a Xunta resgataría imediatamente a vía, isto é, optaría pola xestión directa, co que tería de indemnizar a sociedade concesionaria en máis de 4 mil millóns de euros. De facto, a proposición de lei -impulsada polo BNG no Pazo do Hórreo e aprobada por unanimidade- limítase a demandar a transferencia á administración galega da titularidade da autoestrada, dando mesmo por suposto que a xestión continuará a ser através dunha concesionaria privada. Que competencias tería a Xunta sobre a AP9? As competencias que si tería a Xunta sobre a AP9 -e que agora bloquea o Goberno Rajoy en Madrid- serían as de autorizar a posta en servizo de novos tramos, a supervisión do correcto funcionamento da autoestrada, a potestade sancionadora sobre a concesionaria, e o estableecimento, actualización e supresión de tarifas e peaxes, ben como a faculdade de implementar políticas de descontos. A Marea mantén a súa iniciativa O asunto politicamente non morre con este veto. En Marea anunciou que mantén viva a súa iniciativa no Congreso arredor da transferencia da vía.
PRAZA_12131
A nunca abondo parabenizada Lara Graña sinalaba o outro día neste xornal que Rajoy copiaba o primeiro ministro británico, David Cameron, ao promover a participación dos desempregados en traballos voluntarios. Discrepo. En realidade, Cameron está moito máis preto de Castelao ca de Rajoy, polo menos neste aspecto. Voume explicar antes de que me anatemicen.
A nunca abondo parabenizada Lara Graña sinalaba o outro día neste xornal que Rajoy copiaba o primeiro ministro británico, David Cameron, ao promover a participación dos desempregados en traballos voluntarios. Discrepo. En realidade, Cameron está moito máis preto de Castelao ca de Rajoy, polo menos neste aspecto. Voume explicar antes de que me anatemicen. Empezaremos polo que está pasando. Non hai indicadores nin medicións, así que é pouco probábel que datos semellantes cheguen aos titulares de Praza; mais creo que é unha sensación compartida se digo que os xardíns galegos están cada vez máis deixados e peor coidados. Que cada vez as nosas rúas teñen máis fochancas, que cada vez hai menos cartos para actividades escolares e que cada vez haberá máis lixo sen varrer amoreado diante dos nosos comercios. Se esta percepción non é aínda suficientemente evidente, serao máis e máis ao longo dos vindeiros meses e anos. Non hai cartos pra pagar quen varra o lixo diante da miña porta ou quen roce a herba diante da miña leira. En realidade, é dubidoso que o teña que facer alguén distinto de min. Ata o de agora diso ocupábase o estado a través de diversas administracións, ese estado benefactor ao que durante tantos anos utilizamos como mordomo, cando non coma criado. Pero iso, asumámolo, acabouse. Contra esa inevitábel deixación de funcións por pobreza, podemos manifestarnos e folgar, como propoñen os sindicatos, e presionar para que o estado imprima billetes de euro co que contratar varrendeiros, ou agarrar o mango da vasoira e varrer por nós mesmos. Entre eses que cren que temos que coller a vasoira nosoutros, está o Cameron que conceptualiza a big society, unha sociedade onde todos os cidadáns e cidadás amplíen a súa responsabilidade activa e axuden a manter, con traballo voluntario, un nivel de vida común que xa non podemos pagar con cartos. Aí está tamén o Castelao voluntarista que dicía que había sitio pra todos cando nos convidaba a sumarnos á obra. Porque non é nacionalista lastrar o estado de todos con obrigas que podemos asumir cada un de nós. Hai sitio pra todos, Daniel, e por riba temos bastante tempo libre. Só que estamos mal acostumados. Porque unha cousa é que percibamos que as nosa rúas teñen demasiado lixo, e outra cousa é como facemos, en sociedades como a galega, pra evoluírmos dende o tuzarismo individualista, cando non mesquiño, ata un modelo de solidariedade xenerosa onde a acción cidadá vaia substituíndo o estado. Cómo nos organizamos, nós que a penas tivemos tempo histórico de facelo. Qué tenda do Paseo, da rúa Real, de Príncipe, dá o primeiro paso e sae a varrer diante da súa porta pra que o concello mande os varrendeiros a cubrir aquelas zonas onde os veciños non poden facelo. E, tamén, cómo os que varremos e os que non podemos facelo recompensamos o traballo voluntario; cómo cambiamos as escalas morais da nosa sociedade, cómo deixamos de aprezar a quen engana o veciño e louvamos a quen colabora desinteresadamente pra que todos vivamos mellor. Eis a revolución cívica que necesitamos. A de Cameron, a de Castelao.
NOS_49426
A concelleira e un funcionario da mesma área foron chamad@s a declarar no decorrer da operación Pokemon. Segundo apuntan, podería tratarse dun suposto caso de tráfico de influencias.
A responsábel popular de Educación do Concello de Compostela, Rebeca Domínguez Iglesias, que chegou á equipa municipal após a dimisión do ex-alcalde da cidade, Gerardo Conde Roa, foi chamada a declarar xunto cun funcionario da súa área no decorrer das investigacións polo caso Pokemon. A xuíza de instrución, fixou para o vindeiro día 20 a comparecencia. O chamamento deberíase a un suposto caso de tráfico de influencias vencellado coa xestión dunha gardería xestionada por unha das empresas relacionadas co grupo Vendex. Neste sentido, diversas fontes avanza que a concelleira e o funcionario poderían ter empregado o seu posto como traballador@s públic@s para beneficiar a empresa concesionaria, dándolle validez legal a propia Domínguez Iglesias. O director da empresa (Samesana) á que se lle encomendara a xestión, Alberto Quintana tamén foi imputado no desenvolvemento da operación Pokemon.
PRAZA_4982
Unha reportaxe na prestixiosa revista norteamericana EightbyEight destaca a importancia da política, da identidade e da lingua no fútbol español e repara na relevancia do galego e da cultura propia para entender o balompé no país.
"Na Liga española, moitos dos seus partidos agochan algo escuro e espiñento que vai máis aló do que pasa no céspede e que mestura nacionalismo, separatismo ou o orgullo dun determinado país ou rexión". Con esta frase, o xornalista norteamericano Jasper Lipton intenta explicar a importancia que a identidade e a lingua teñen no fútbol en España. Faino nun artigo titulado The Spanish Inquisition, publicado na prestixiosa revista estadounidense EightbyEight, no que tamén se fai referencia á relevancia do idioma e a singularidade galega para entender o balompé en Galicia. Un artigo nan prestixiosa 'EightbyEight' repara na importancia da política, a identidade e a lingua propia no fútbol español Cada partido en España ten uns condicionantes ideolóxicos inescrutables, explica o artigo, que se centra na importancia identitaria de Barcelona e Athletic de Bilbao, pero que tamén reserva un espazo para a situación en Galicia. "A política xoga un rol esencial no fútbol español; se non comprendes o nacionalismo vasco, catalán e galego, non entendes o que pasa", explica na reportaxe Gabriel Rei-Doval, doutor en Filoloxía Galega e profesor de sociolingüística no Departamento de Español e Portugués da Universidade de Wisconsin-Milwaukee, que achega as súas impresións tamén desde a súa experiencia como promotor do grupo de investigación de Estudos Galegos no centro. No artigo destácase que "Cataluña e o País Vasco non son as únicas rexións españolas con sentimento de pertenza e orgullo", xa que "tamén Galicia ten as súas propias cores, equipos e lingua". O autor asume que "para a maioría de afeccionados, especialmente para os internacionais, Deportivo e Celta practicamente non existen" e destaca que a identificación dun pobo cos seus equipos sempre foi máis relevante no caso do Barcelona ou da Real Sociedade e, sobre todo, o Athletic. "A política xoga un rol esencial no fútbol español; se non comprendes o nacionalismo vasco, catalán e galego, non entendes o que pasa", di Rei-Doval na reportaxe Porén, dedica un espazo á importancia que, sobre todo desde a fin da ditadura franquista, ten para o afeccionados galegos o orgullo de país e a súa elección por un equipo da terra. Rei-Doval confírmallo. "Hai moito máis orgullo do que había ante polo equipo propio, hai un vínculo entre ser afeccionado do Celta e do Deportivo e defender e apoiar Galicia, algo que non existiu antes da democracia", di o investigador galego en Wisconsin. Á evidente simboloxía de identificación co país que tanto o equipo vigués como o coruñés teñen nos seus escudos ou camisetas uniríaselles nos últimos anos unha maior reivindicación nacional por parte de boa parte dos seus seguidores. A polémica polas estreleiras sería un dos síntomas, tal e como destaca o investigador. O artigo fai un repaso polas rivalidades no fútbol español e céntrase no enfrontamento Real Madrid-Barcelona e na súa derivación política, que o xornalista cre obvia e evidente. Ademais, non dubida en vincular estas diferenzas ideolóxicas ao propio estilo futbolístico, que leva anos no imaxinario de cada unha das afeccións. "O Madrid é incisivo, excitante e directo, herdeiro da Furia Roja, mentres que o Barça é máis expresivo e fino, representante do toque", explica quen ve dúas identidades ben diferentes trasladadas ao deporte, algo no que incide coas achegas de Alejandro Quiroga, profesor de Historia de España na Newcastle University do Reino Unido e autoro de Football and National Identities in Spain. "O Celta ten a web en castelán, galego e inglés; o Real Madrid ofrece seis idiomas, pero só un deles é español: o castelán" Ademais, a reportaxe pregúntase se o Real Madrid "non se promove sutilmente como representante do nacionalismo español" fronte a outros equipos máis identificados co seu territorio máis próximo. Para iso, tamén dá importancia ao tratamento das diferentes linguas que se falan no Estado. Así, repara en que "Athletic, Celta ou Barcelona ofrecen as súas webs en diferentes idiomas, entre eles o propio da súa comunidade e algún máis, mentres o equipo madrileño ofrece seis linguas na súa web, pero só un delas é española: o castelán". "Os españois toleran máis as linguas estranxeiras que as súas propias", sentencia o autor.
NOS_41480
O organismo provincial reclamará, no seu vindeiro pleno, que os directivos das caixas galegas devolvan as millonarias subvencións que recibiron cando deixaron os seus cargos. Pedirá tamén a creación dunha comisión de investigación sobre Nova Galiza Banco.
O organismo provincial reclamará, no seu vindeiro pleno, que os directivos das caixas galegas devolvan as millonarias subvencións que recibiron cando deixaron os seus cargos. Pedirá tamén a creación dunha comisión de investigación sobre Nova Galiza Banco.A Deputación de Lugo aprobará, no seu vindeiro pleno ordinario, o 26 de xuño, unha moción conxunta na que instará á Xunta a garantir a existencia dunha entidade de crédito galega de orientación pública. O organismo provincial demandará ao Parlamento galego a creación dunha comisión de investigación que bote luz sobre as causas que levaron a Nova Galiza Banco á situación actual. A Deputación esixirá, ademais, que os directivos das caixas devolven o diñeiro que recibiron ao abandonar as entidades. "Non se pode permitir -sinala o vicepresidente da Deputación, Antón Veiga- que aqueles que deixaron á banca galega cun buraco de máis de 7.000 millóns de euros, o 12 por cento do PIB galego, cobren indemnizacións mentres as familias e as PEMES están a padecer as consecuencias da falla de liquidez de Nova Galiza Banco".Para Veiga, é imprescindíbel que se investigue a fusión de Caixa Galiza e Caixa Nova e o proceso de bancarización para coñecer as causas que provocaron a situación actual e poder depurar así responsabilidades políticas. O vicepresidente da Deputación considera que, tan grave como os excesos que levaron ao borde da desaparición á entidade financeira, é o feito de que que o Goberno galego os permitira. Este é, para o vicepresidente da Deputación, o motivo que explicaría os impedimentos do PPdeG á creación dunha comisión de investigación no Parlamento galego.A moción tamén reclamará dos gobernos central e autonómico solucións para as e os aforradores afectados polas participacións preferentes. Veiga reclama do presidente da Xunta que pilote a solución a este problema, dato que o goberno autonómico conta con competencias sancionadoras sobre as prácticas irregulares das entidades financeiras en materia de consumo.
NOS_57822
A biodiversidade e xeodiversidade dese entorno é un patrimonio natural que debe ser conservado, argumentan desde a Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro.
A Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro presentou á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a través de Adega, alegacións ao Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do parque natural do monte Aloia para solicitar a inclusión da serra do Galiñeiro dentro da figura dese parque natural. "Demandamos a ampliación dos límites do parque natural Monte Aloia co fin de incluír dentro desta figura de protección á Serra do Galiñeiro" Lembran que a serra do Galiñeiro caracterízase por presentar numerosos valores naturais. "É salientable así o seu rico patrimonio xeolóxico e xeomorfolóxico, que fan da serra un referente paisaxístico no relevo do sur de Galiza, estando incluída esta como área de Especial Interese Paisaxístico no Catálogo das Paisaxes de Galiza". Posúe, aliás, gran variedade de hábitats, como breixeiras húmidas, brañas, turbeiras ou matogueiras de influencia mediterránea e termófilas con endemismos. Na serra hai unha fauna de escasa representación en Galiza, coma a azulenta papuda, ou endemismos coma a saramaganta (Chioglossa lusitanica) ou a ra patilonga, ou ben avifauna migratoria como o picanzo real ou o pedreiro cincento. A presenza de petróglifos como o de "Auga da Laxe" de características únicas no continente europeo, e das mámoas como as dos Bromús e as do monte das Moutas; tamén son elementos que para esta plataforma merecen ser protexidos e conservados. A presas, as levadas, os muíños de auga ou os abrigueiros para pastoreo comunal e ouros exemplos de arquitectura popular existentes na serra reforzan esa necesidade de que estea nun parque natural. "Nos cumios localízase a fortaleza altomedieval do Galiñeiro, constituíndo unha das mellores representacións dos denominados "castella tutoria", unha tipoloxía de fortificacións medievais pouco coñecidas aínda na Galiza".
NOS_11311
O Consello das Mareas acordou na noite desta sexta feira que a formación non se presentará o vindeiro 5 de abril.
O Consello das Mareas acordou na noite desta sexta feira que En Marea non se presentará as vindeiras eleccións galegas do 5 de abril ao "non se ter formado unha coalición ampla de forzas progresistas e soberanistas" e "asumindo a responsabilidade de non contribuír a aumentar a fragmentación da esquerda" na Galiza. O máximo órgano de Goberno entre plenarios de En Marea lamentou a "falta de responsabilidade da esquerda na Galiza" e lembrou que "os pactos de coalición que se coñeceron nas últimas horas recordan o vivido durante os últimos catro anos: preocupación polos postos, pero non polo país". En Marea apártase da carreira electoral xusto dous días depois da renuncia do seu líder, Luís Villares, que anunciou a pasada cuarta feira que abandonará a política cando rematen os seus compromisos na Deputación Permanente do Parlamento da Galiza. O Consello das Mareas, nun comunicado emitido a última hora desta sexta feira, considera que non presentarse as eleccións "é unha responsabilidade política que vai máis alá dos intereses do partido e que sitúa a necesidade da Galiza de cambiar de Goberno no primeiro lugar da súa decisión". O Consello entende que non presentarse a unhas eleccións no país é unha "decisión de risco" para unha forza como En Marea, posto que "compromete a mesma finalidade da formación política". Con todo, salientou que a situación da Galiza "precisa de exercicios de responsabilidade que, en ocasións, vaian en contra dos intereses directos das formacións que se presentan". Para En Marea, resulta "lamentábel" que o arco progresista e soberanista galego "non fose capaz de poñerse de acordo en artellar unha fórmula que ilusionara a Galiza e fixera real unha opción de cambio no Goberno da Xunta". O Consello das Mareas valorou a situación dos últimos días na política galega como "moi ilustrativa" do momento. "Partidos de esquerda negociando postos en listas, en lugar de negociar programas de Goberno", salientan no seu comunicado. Para a formación, este "non é o xeito de facer política en ningún caso, pero moito menos na situación actual do país".
NOS_1055
Novos modelos de coidado prestados pola comunidade, centrados na persoa, en contornas rurais. Así se presenta o programa Biocoidados, un proxecto experimental co que están a traballar desde xaneiro no Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, na comarca da Limia. Unha iniciativa na que participan perto de 60 persoas á procura de maior autonomía e coidados na súa propia casa.
Biocoidados está financiado con fondos Next Generation. É parte do Plan de recuperación, Transformación e Resiliencia da Secretaría de Estado de Dereitos Sociais e está a ser executado pola Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural, Coceder. En todo o Estado son 18, dous deles galegos, o CDR Portas Abertas, con sedes en Verín e Vilardevós e o CDR O Viso, con presenza en Lodoselo (Sarreaus) e Xinzo de Limia. Javier Diz é o coordinador do programa Biocoidados nesta comarca. Desde primeiros de ano o CDR O Viso chegou a 55 persoas das máis de 60 que se beneficiarán desta iniciativa dirixida a maiores de 65 anos, crianzas, mozos e mozas en risco de exclusión, persoas sen fogar, con patoloxías ou diversidade funcional. "Nós traballamos fundamentalmente con persoas maiores, que atenden os tres piares esenciais do programa: desenvolvemento no rural, prevención da institucionalización e promoción da desinstitucionalización". Atención integral Segundo explica Diz, a posta en marcha de Biocoidados parte dunha proposta metodolóxica "moi ben pensada" que sortea os métodos convencionais. O percorrido deste programa comezou coa recollida de información "cualitativa" de cada persoa, xa que o que busca é atender as súas necesidades e desexos de forma individualizada. Promovemos que cada persoa faga unha valoración da súa propia vida, do que lles fai falta co fin de incrementar a autonomía e benestar das persoas beneficiarias no seu contorno "Entrevistamos unha por unha cada persoa para coñecer a súa historia de vida e iniciar un labor de acompañamento e orientación que favoreza unha atención integral", centrada na súa propia experiencia e nas súas arelas. Autocoñecemento Biocoidados busca axudar, asesorar ou apoiar as persoas para que desenvolvan o proxecto de vida que precisan ou que lles gustaría para poder ficar na súa casa, no rural. "A proposta é moi aberta, de feito animamos a xente a que pense de forma creativa algo que lles viría ben". María Marco: "O tema dos coidados será un serio problema en 20 ou 30 anos e non se está a falar del" Non todas dan á primeira con aquilo que queren ou necesitan, pero ese proceso de reflexión é parte do cambio e contribúe a que cada quen "se vaia pondo en contacto consigo mesmo". Asegura Diz que non é unha proposta moi doada na medida en que non responde ao auxilio habitual que se presta cando se acode a algún servizo. "Nós non somos un Servizo de Axuda no Fogar, tampouco facemos unha valoración, pero promovemos que cada persoa faga unha valoración da súa propia vida, do que lles fai falta co fin de incrementar a autonomía e benestar das persoas beneficiarias no seu contorno". Estamos a organizar a posta en marcha dalgúns servizos como o de acompañamento, de atención 24 horas para quen ten lonxe a familia ou de convivencia O obxectivo de Biocoidados é "argallar" solucións innovadoras capaces de fomentar o desenvolvemento rural, un territorio activo. Faino a través da figura do asistente persoal, co apoio de dous equipos de intervención: un primario, con formación en pedagoxía, psicoloxía, traballo e educación social, e outro secundario, con especialistas en sanidade, nutrición, animación sociocultural ou formación, que seguirá a crecer en función das demandas e do orzamento dispoñíbel. Desenvolvemento persoal, na cerna do plan de vida da xente do rural Biocoidados está a pór en marcha novas formas de coidado, flexibles e a demanda de quen mellor coñece as súas necesidade e devezos. "Hai quen quere ir ver os netos a Suíza ou a Catalunya. Non se trata de pagarlle a viaxe pero si de ofrecerlle asesoramento e axuda coa xestión de todo canto precisa para poder ir aló". É o caso de quen ten unha persoa dependente ao seu cargo e necesita saber que estará ben atendida na súa ausencia. Biocoidados faino posíbel, ao igual que busca a forma de garantir dúas horas de ocio diarias a quen quere recuperar actividades ás que tivo que renunciar no seu momento, a quen quere aprender a tocar a guitarra, a mellorar o seu plan de alimentación ou a xestionar a súa diabetes. Mulleres, coidados e lucro capitalista "Tamén estamos a organizar a posta en marcha dalgúns servizos como o de acompañamento, de atención 24 horas para quen ten lonxe a familia ou de convivencia", este último con vistas a compartir casa e fuxir da institucionalización. Son frecuentes os acompañamentos puntuais ao médico, á compra ou simplemente para charlar. "Un día a semana tomamos café cunha muller de Lodoselo. Préstalle tanto esa compañía que o ánimo xa lle dá para atender outras facetas da súa vida", comenta Javier Diz, quen de aquí a 2024 non descarta intervencións máis ambiciosas, mesmo arquitectónicas, para acomodar as casas ás necesidades das persoas.
PRAZA_1569
A regulamentación para adaptar o ensino secundario á Lei Wert obriga o estudantado que escolla determinadas materias específicas a seleccionar Relixión católica como única alternativa para completar a carga horaria que establece a norma.
Desleixo ou discriminación? É a pregunta que paira sobre parte da comunidade escolar galega tras coñecer, esta semana, o novo currículo do Bacharelato, publicado no DOG o pasado 29 de xuño. Ademais de adaptar este treito do ensino secundario á LOMCE a nova regulamentación trae implícita preceptos que, na práctica, van forzar unha parte do alumnado a cursar a materia de Relixión Católica, que a coñecida como 'lei Wert' converteu en avaliable e computable para ámbitos como a media global das cualificacións. Este privilexio da materia relixiosa non está explícito na norma, pero convértese nun feito á hora de escoller determinadas materias no primeiro curso de Bacharelato. Xunto ás áreas troncais -como as linguas, por exemplo-, o estudantado ten que seleccionar dúas ou tres materias entre once alternativas posibles. Esas materias teñen cargas horarias diversas -4, 3, 2 ou 1 horas semanal- e o total da elección ten que sumar 6 horas semanais. Deste xeito, o abano de combinacións é múltiple: unha materia de 4 e outra de 2, dúas de 3, tres de 2, ou unha de 3, outra de 2 e unha terceira dunha hora semanal. Esta última posibilidade é a que pode abocar ao estudo da Relixión, xa que é a única das obrigatoriamente ofertadas que ten esa carga horaria e a Administración non garante unha alternativa coas mesmas características. O estudantado que elixa unha materia específica de 3 horas e outra de 2 vese abocado a escoller Relixión para completar a carga horaria que esixe a nova normativa Isto é o que acontecería, por exemplo, cunha alumna que decida cursar as materias de Tecnoloxía Industrial I e Tecnoloxías da Información e da Comunicación I, cun estudante que elixa Anatomía Aplica e Cultura Científica ou con quen teña interese en cursar Linguaxe e Práctica Musical e unha segunda lingua estranxeira. En todos estes supostos, ao seleccionaren unha materia de 3 horas e outra de 2, non terían garantida a posibilidade de completar as horas esixidas sen asistir á materia relixiosa. Neste escenario, tería a Consellería de Educación marxe de manobra para evitar a imposición da relixión pola vía dos feitos? Podería telo feito se, por exemplo, ao determinar as materias de libre configuración que son de competencia autonómica, incluíse entre as materias específicas unha materia alternativa á relixión cunha hora semanal. Ao non facelo, depende en última instancia de cada centro educativo a vontade ou posibilidade de ofertar ou non unha alternativa. Reclamación sindical Esta situación chega despois de que, durante a fase de alegacións ao decreto, xa existisen demandas para arranxar estea situación. Unha delas chegou dende o sindicato STEG, que ao comprobar que nada mudou no texto definitivo considera que "só existen dúas respostas posibles" á pregunta de "por que a Xunta non lexislou" ao respecto. "A primeira, a menos mala, é a ineptitude á que nos ten afeita esta Consellería". "A segunda, gravísima -din-, é o desprezo absoluto da Administración por un dereito básico, a non discriminación por razón de relixión". "De tratarse dunha situación que a Consellería non contemplou, debe rectificar este erro"; en caso contrario, advirten, "o STEG estuda emprender accións legais que contribúan a mellorar o xa avultado récord de sentenzas condenatorias" da Xunta no ámbito educativo. O STEG reclamou contra este precepto no período de alegacións A xuízo do STEG resulta "intolerable" que a Xunta apele "á tan manida autonomía dos centros" para responsabilizalos de que haxa ou non alternativa a relixión. É unha "falacia", afirman, porque "esquece a obriga da Administración para velar polo respecto aos dereitos fundamentais do alumnado". Neste caso, "non garante aos centros medios humanos necesarios para cubrir a posible demanda" de alternativa á relixión nin prevé que acontecerá se "quen non queiran estudar relixión" non sexan estudantes dabondo como para poñer en marcha unha nova materia. "Mesmo no caso de os centros acorden ofertar outra materia dunha hora seguiríamos a ter unha situación discriminatoria" "Mesmo no caso de que os centros acorden ofertar algunha materia dunha hora, como suxire a Administración, de non tratarse de contidos alternativos á relixión, senón doutra materia calquera, seguiríamos a ter unha situación discriminatoria", porque quen "acepte a relixión na escola" tería a posibilidade de "escoller entre dúas materias dunha hora" e "quen non acepta, só podería escoller unha ". Todo isto sucede, en última instancia, conclúen, pola "premisa falsa introducida pola LOMCE", segundo a cal "a Relixión é unha materia máis, como se a este país non tivese chegado a Ilustración".
NOS_48118
Esixe da Consellaría que recupere a actividade ordinaria de tarde nos hospitais.
O pasado sábado Nós Diario informaba de como o Goberno galego dera orde para compensar a sanidade privada con aínda máis derivacións. As xerencias de áreas sanitarias nas que se organiza o sistema galego avisaron xefaturas de servizo para advertilas de que reducirían as peonadas -termo co que se denomina a realización de actividade clínica fóra da xornada ordinaria do persoal sanitario- en quirófanos nos próximos meses. A razón: o incremento das derivacións a centros hospitalarios privados. "Dixéronnos que nos afixésemos a ficar sen peonadas, que era unha decisión política que viña de arriba, porque había que compensar a sanidade privada debido ás perdas ocasionadas pola COVID-19". Así o explica a Nós Diario unha das persoas que participou nunha das reunións convocadas para organizar a actividade asistencial de cara aos próximos meses. A CIG-Saúde, a través dun comunicado, rexeita a decisión da Consellaría de Sanidade de manter suspendida as actividades programadas de tarde nos hospitais públicos para derivar esta atención á sanidade privada. Cualifica de "hipocrisía" a actitude do Goberno de Feixoo "que por una lado fai gala de termos a mellor sanidade pública co persoal máis cualificado, e ao tempo desvía os cartos de todas as galegas e galegos para financiar o sector sanitario privado, en mans de grandes multinacionais e fondos voitre". "Esiximos que se faga actividade na pública, non podemos baleirar de actividade asistencial a sanidade pública tendo os profesionais e as instalacións para ofrecer a mellor atención", afirma María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde. "O que nos están a comentar os compañeiros e compañeiras é que recibiron ordes da Consellaría de non facer actividade programada de tarde, para derivar os fondos e estas intervencións á sanidade privada". Para Abuín esta medida confirma o que a CIG xa denunciou a finais de marzo: que a Consellaría montaba eses hospitais de campaña e non estaba a utilizar a rede de camas dispoñíbeis na sanidade privada (aínda que así llo permitía o decreto do estado de alarma) para preservalos e, unha vez pasada a curva da pandemia, derivar a estes centros cirurxía concertada que foi suspendida pola emerxencia da Covid19.
NOS_31237
Será o día de Celso Emilio Ferreiro. Con motivo do centenario, polo país enteiro soará a súa poesía, nunha homenaxe colectiva que terá o seu cerne nos centros de ensino, nunha convocatoria da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Non será a única. Ramón Nicolás, Aser Álvarez, Xiana Arias, Luz Fandiño e O Leo participarán na homenaxe Lembrando a Celso Emilio Ferreiro, ás 20.30 no restaurante Rúa de Compostela.
O día 12 de decembro do 2012 Celso Emilio Ferreiro será o protagonista e, sen dúbida, o nome máis lembrado da nosa cultura. Os seus versos deixaranse ouvir polo país enteiro e, xa entrada a noitiña, algúns dos nomes máis relevantes deste centenario daranse cita no restaurante Rúa, na Rúa de San Pedro de Compostela, para participaren na homenaxe "Lembrando a Celso Emilio Ferreiro". Unha mesa redonda e un recital completarán a xornada de homenaxe de Compostela. Ramón Nicolás máis Aser Álvarez, sen dúbida dous dos nomes que máis soaron neste ano na recuperación e lembranza da homenaxe ao poeta estarán xuntos nesta lembranza de peche do ano. A Ramón Nicolás débeselle a monumental biografía que nos achega de forma completa e rigorosa a vida do autor de Longa Noite de Pedra e a Aser Álvarez o documental 100% CEF, que esta cuarta feira estrea a TVG e que xira arredor da vida do escritor. Xiana Arias e Luz Fandiño, entre outras persoas, porán voz aos seus versos nunha homenaxe que rematará coa intervención de O Leo, música para os poemas do escritor nacido en Celanova.
PRAZA_8072
Os responsables de Xeración Xabarín deciden eliminar o sitio despois de que dende o ente público se ameazase con emprender accións legais contra eles. O proxecto nacera en 2007 "vendo que a TVG maltrataba sistematicamente un dos seus programas máis emblemáticos"
Xeración Xabarín era unha web feita por e para fans do Xabarín Club. Nela podíanse ver os videoclips do programa, escoitar as cancións das series, repasar os discos que se editaran cos temas que soaban no espazo e acceder a capítulos das series de debuxos emitidas. Tamén contiña un trebello que permitía xerar automaticamente carnés do Xabarín. Era unha forma de lembrar e reivindicar algo máis ca un programa de televisión, era un espazo de encontro para todas aquelas persoas, toda unha xeración -ou máis de unha- que quedaron marcadas polo Xabarín. Era unha forma de lembrar e reivindicar algo máis ca un programa de televisión Os responsables da web informan de que a CRTVG se puxo en contacto con eles para que pechasen o sitio e eliminasen os contidos alí recollidos baixo ameaza de emprender accións legais contra eles. E así o veñen de facer. Tamén se despediron na súa conta de twitter. Salientan que "non foi a Televisión de Galicia, senón os fans, quen mantivo aceso o fenómeno Xabarín estes anos" Explican que o proxecto naceu no ano 2007 vendo que a TVG "maltrataba sistematicamente un dos seus programas máis emblemáticos, e que era practicamente imposíbel encontrar información sobre o Xabarín Club na Internet", decidiron crear un espazo feito por e para fans. Critican que aínda hoxe, despois da renovación da web da CRTVG, "é imposíbel encontrar nela algunhas informacións básicas" sobre o programa. Denuncian que tampouco existe unha conta oficial do Xabarín Club no Twitter, "sendo a feita por nós a que interactuaba cos fans e informaba das novas relacionadas co clube". E salientan que "non foi a Televisión de Galicia, senón os fans, quen mantivo aceso o fenómeno Xabarín estes anos". Oink, oink!
NOS_19229
Leo Bassi (Nova York, 1952) é cómico, fillo de cómicos, neto de cómicos, bisneto de cómicos. Defende a función política do bufón, a súa oposición aos inimigos das liberdades. O seu novo espectáculo, O derradeiro bufón, explora a súa historia familiar para amosar "ás novas xeracións" o legado do pallaso arreposto contra o poder. A partir da quinta feira 19 de abril preséntao en Galiza
-O espectáculo que vai presentar en Galiza parte dunhas filmacións realizadas polos irmáns Lumière en que aparecen membros da súa familia. -É incríbel. Son imaxes que descubriu a miña irmá, que é historiadora do circo, hai dous anos e medio. Son de 1896, poucos meses despois dos primeiros intentos de filmar dos Lumière. Foi un traballo de semanas, de visionar moitísimo material que se atopa na fundación Lumière e que ninguén coñece. E a miña irmá finalmente atopou estas imaxes, tres pequenas curtas de 30 segundos, onde se ve o meu bisavó e o seu irmán facendo malabarismos e de pallasos. A 122 anos de distancia, poder ver o meu propio bisavó é unha emoción moi forte, impactante. -Neses 122 anos, ¿en que mudou a súa profesión? -Hai inocencia. Ves as imaxes e ves unha relación cos malabares e co público diferente. Penso: "Que cínicos somos agora". Evidentemente, aquela era unha sociedade sen electricidade. Os meus bisavós vían dous homes cunha caixa e unha manivela facendo algo e non se decataban de que as súas actuacións eran gravadas. Ate ese intre, todo era inmediato. Un espectáculo só o podía ver o público presente. Era máis inocente, había menos intermediarios. Porque hoxe en día, o artista que ves en pantalla está aí porque hai directores de programas, de canles, de contratos publicitarios, unha morea de xente detrás que pode dicir "si ou non". Hai filtros. E aquela era unha época sen filtros. Agora vivimos con moitos filtros e é perigoso. Porque nesta sociedade a censura é moi doada e moi rápida. -Por que decide volver tan atrás? Achágase a un punto de inflexión? -É importante dar a coñecer isto ás novas xeracións. Eu fago o papel do vello pallaso. E digo algo a partir da miña familia, da miña propia experiencia. Son un testemuño dunha época pasada que non volverá nunca máis. Por iso poño "derradeiro bufón" no título. Intento transmitir ás novas xeracións a importancia de loitar pola liberdade, a importancia de evitar a manipulación da información polos medios. Intento volver á inocencia que é a esencia da relación entre o bufón e o seu público, á sinceridade, ás emocións. Dicirlle á mocidade: "isto é o que fun, isto é o que foi a miña familia, loitamos e démonos estas misións. E a vós chega agora o facho. Levádeo adiante para as próximas xeracións". -Considera, entón, que non hai posibilidade de que existan máis bufóns? -Non, non, non! Hai bufóns. Se cadra o bufón hoxe en día é un rapeiro. Valtonyc cos tres anos de cárcere que lle agardan. Fai o mesmo papel que, hai cinco ou seis séculos, facía o bufón cando estaba na corte imperial ou real e atrevíase a dicir cousas directamente. O espírito de rebeldía vive continuamente. Pero tamén en cada xeración necesita ser apoiado. Necesitamos dicir aos mozos: "É importante rebelarse, é importante poñer en dúbida o poder, é importante manter a liberdade de expresión". Mais eu creo que a única diferenza é que a revolución tecnolóxica fai que vivamos unha época bisagra. Coas novas tecnoloxías, as cousas estanse complicando moito. Dunha banda penso que o espírito de rebeldía se mantén sempre, mais doutro, quen sabe o que pasará se todo está controlado por algoritmos. Agora mesmo están decidindo a nivel mundial o que son fake news e confiar aos algoritmos matemáticos as capacidades de borrar ou non informacións da Rede. Ti escribes algo en twitter e despois ves que se borra porque é considerado acto de terrorismo ou apoloxía por un computador que non ten nada en relación cun ser humano. Pois isto os meus bisavós, imaxina [ri]... Para min, hai 20 anos, era cousa de ciencia ficción. Pois agora estamos nisto. Como se mantén o espírito rebelde fronte o algoritmo? Non o sei, pero hai que atopar unha maneira. "No Estado español a liberdade de expresión é relativamente nova e agora parece que volve atrás" -Precisamente en Europa, e concretamente no Estado español, sopran ventos desfavorábeis para a liberdade de expresión. Percibe o seu deterioro ou o poder sempre a atacou? -Nos anos 80 eu vivía en Polonia, que estaba na órbita soviética. E en todos os espectáculos teatrais, ao fondo, sentado, había un representante do goberno, un comisario político. Tiña que escoitar e ver se a obra se desviaba da legalidade socialista. Non estaba agochado, estaba alí. No Estado español tamén, a censura do franquismo. Porque aquí a liberdade de expresión é relativamente nova e agora parece que volve atrás. Mais eu sinto ambigüidade sobre este asunto. Porque naquela época en Polonia os actores sentiámonos moi libres. Era como un deporte burlar o comisario político, dicir cousas sen que se enterase. Había censura, pero había tamén unha enorme liberdade de expresión, porque era doado burlarse da estupidez da persoa que enviaran para censurar. Da mesma maneira é para min moi rechamante en España o cinema de Berlanga: ti ves O verdugo, feita durante o franquismo, ou Benvido Mr. Marshall, incribelmente audaz malia o franquismo... Se cadra está rematando unha época, a da facilidade para burlar a censura. É triste, mais con intelixencia pode manterse a liberdade de expresión. -E que debe facer o cómico nestes novos tempos? -Necesita literalmente ir contra o poder. Unha sociedade é sana se hai contradicións, se hai unha dialéctica. O poder di unha cousa e ti tes que dicir o contrario. É sano. Se o poder intenta calar as contradicións, non é bo para a sociedade. É decadencia. Daquela, temos a obriga continua de manter a crítica. Imaxina a miña traxectoria. Nos anos 80, informan de que eu estaba loitando contra o socialismo e o comunismo en Polonia, que era unha ditadura. Agora atópome na posición diametralmente oposta. Son contrario ao capitalismo neoliberal, aos neoconservadores, e estou mesmo a prol do socialismo. A verdade está en se manter en contradición. Non hai ningún tempo na historia en que a sociedade sexa perfecta, en que o poder sexa xenuíno, simpático e xusto. En cada época hai que loitar. O segredo do bufón é amar loitar, loitar con gusto, con pracer, facendo rir. E loitar sen traxedia, co riso como arma, o divertimento como medio. Hoxe en día hai moitos argumentos. Ate a Cifuentes. Hai dous días distribuín no meu espectáculo papeis do máster de Cifuentes, pero sen o nome, para que o enchese o público e tivese tamén un máster. Ese é o traballo do bufón, do pallaso, rir das contradicións, rir da corrupción, rir dos abusos. Divírtome facéndoo. "Unha sociedade é sana se hai contradicións. Se o poder as intenta calar, non é bo" -Hai un anos, un alcalde de Compostela afirmou que o seu traballo lle producía "especial repugnancia". Ao pouco, dimitiu, despois de se descubrir que defraudara a Facenda. Que pensou nese intre? -Unha persoa que nunca vira un espectáculo teatral meu, un sen vergoña chupando do bote de todos... [ri]. Pero iso é un clásico do mundo do bufón, é o noso pan, é o que pasa. Censuroume no teatro, pero a universidade ofreceume unha aula e fixemos dous espectáculos improvisados marabillosos. O público universitario, mozo, ateigou a sala. Hai que enfrontarse á censura sen traxedia. Evidentemente é malo para a sociedade, pero cando chega hai que vivir con isto e intentar derrubalo. E pódese. En calquera sitio. E quizais, de certo xeito, obrigue o artista a ser máis creativo, a afinar o seus chistes. Non estou a prol da censura [ri], pero de certa maneira pode ser un luxo e axude a mellorar a crítica. -Hai apenas catro meses, sectores reaccionarios de Compostela atacaron o cómico -Carlos Santiago- que deu o pregón de entroido. Vostede coñece ben a cidade: é conservadora? Máis que nada é unha cidade simbólica, mesmo de antes dos cristiáns, cos celtas. E quen di símbolo, di que provoca reaccións moi contrarias. Hai conservadores que van intentar protexer todo o que eles pensen do simbolismo. E haberá outra visión que pretende modificar o simbolismo. O feito de que sexa unha cidade símbolo fai que sexa unha cidade que empurra a loitas culturais. E gústame. É inspiradora. E a xente que vive aí, dunha maneira ou outra, sábeo e mesmo están orgullosos de vivir nun lugar tan simbólico. É unha cidade que me apaixona, que nunca te deixa indiferente. Ou esa monstruosidade da Cidade da Cultura: que ignorancia insultar o símbolo Santiago pensando que había que construír outro Santiago. Compostela non precisa unha Cidade da Cultura, é xa unha cidade da cultura.
NOS_26396
A decisión de Pablo Iglesias de encabezar a lista ao Consello Cidadán -non tiña por que facelo porque vai ser o único candidato con opcións á secretaría xeral- é interpretada por propios e alleos como sinal de que quer converter Vistalegre II nun referendo plebiscitario arredor da súa figura.
Hai que darlle a razón a Errejón en algo: Iglesias xoga a todo ou nada. Todo significa continuar na secretaría xeral e reducir o errejonismo á mínima expresión orgánica. Nada significaría demitir e desaparecer do cenario. Non doutro xeito se poden interpretar dous elementos decisivos á hora de pintar o retrato previo de Vistalegre II. Primeiro, o sistema de votación, referendado por unha consulta das persoas inscritas en decembro pasado, con vitoria moi axustada de Iglesias (41 por cento face o 39 de Errejón). Lonxe de ser proporcional puro, o sistema de votación está claramente corrixido para o sistema maioritario, de forma que a lista máis votada terá unha clara prima de representación. O errejonismo critica que Iglesias impoña dentro o que rexeita fóra (unha norma eleitoral interna moi semellante á deostada Lei D'Hont). O segundo elemento decisivo é a decisión de Iglesias de encabezar a lista ao Consello Cidadán. En Vistalegre I non o fixo. A razón de que o faga agora (formalmente non tiña que o facer ao ser xa candidato a secretario xeral) é a de fixar a imaxe de que as e os inscritos teñen que tomar partido entre Iglesias e Errejón. Unha lóxica binaria. Unha lóxica plebiscitaria, nomeadamente porque o propio secretario xeral afirmou que renunciaría ao cargo de ser superado na votación ao Consello Cidadán ou na escolla do Documento Político pola corrente errejonista. O propio Iglesias ocupouse de o enfatizar esta quinta feira. "Hai dous proxectos, dúas equipas e dúas lideranzas", indicou. Un torpedo á liña de flotación á estratexia de Errejón. O secretario político tentou desde o principio eludir o corpo a corpo co secretario xeral cun discurso non exento de contradicións e que se podería resumir na frase "válenos Pablo para a lideranza, mais non a súa liña política". Errejón sabe que neste momento non ten opcións nun duelo persoal con Iglesias. Este sábeo tamén e por iso forza agora a máquina. Todo ou nada. Dese torneo de líderes quixo escapar Carolina Bescansa. Mais, nun aceno calculado, esta quinta feira á noite desvelou o sentido do seu voto: "Votarei pola lista de Pablo Iglesias", afirmou a La Sexta. A politóloga de Compostela faise a un lado -non concorrerá a ningún cargo nesta asemblea- mais non rachou as pontes con Iglesias. Todo o mundo sabe en Podemos que o seu obxectivo desde sempre foi desprazar Errejón do número dous da organización.
NOS_2554
A multinacional da electricidade presentou un proxecto de repotenciamento do parque eólico erguido nos 90 para mitigar o seu impacto. Desde Adega chaman a aproveitar a oportunidade para "retirar os aeroxeradores e amortizar a potencia noutro parque", ao estar este instalado nun espazo que agora fai parte da Rede Natura
A multinacional Fenosa vén de presentar o proxecto de repotenciamento do parque eólico de cabo Vilán, en Camariñas, un dos primeiros instalados na Galiza, a primeiros dos anos 90. Os muíños plantáronse "sobre unha paisaxe única" que pasou a formar parte da Rede Natura 2000 e que conta nas súas proximidades cunha Zepa --zona de especial protección para as aves--, constituíndo deste modo "un exemplo do caótico e insustentábel desenvolvemento eólico perpetrado no país" ao se uniren "as agresións" da piscicultura industrial e das especies invasoras. As queixas chegan desde a asociación ecoloxista Adega. Chama a aproveitar a oportunidade que ofrece este proxecto de repotenciamento para "desmantelar o parque, restaurando un agravio histórico". O colectivo entende que, logo de 25 anos, a "solución xusta" para a empresa e para o medio ambiente é "retirar os muíños e amortizar a potencia noutro parque". 23 aeroxeradores en pleno 'boom' eólicoO parque de cabo Vilán ergueuse no 'boom' eólico dos 90, cando non existía a Rede Natura, nin a Lei da Paisaxe, nin a Lei Eólica nin instrumento algún "que introducise certas garantías ambientais" fronte a un "todo vale" para producir electricidade. Fenosa fai a achega de substituír os 23 aeroxeradores, cunha potencia conxunta de 3,9 Mw, por tres muíños e 4,2 Mw totais. Adega aplaude o repotenciamento como medida para diminuír o impacto paisaxístico e ambiental dalgúns parques, mais non deste. No propio proxecto, redactado por Fenosa, a multinacional eléctrica advirte que, de non proceder como pide, produciríase "maior alteración de hábitats e fauna; maior afección á estrutura da paisaxe e non creación de 78 postos de traballo". A asociación ecoloxista entende estas palabras como un recoñecemento indirecto dos danos que os 23 muíños instalados causaron. Cómpre lembrar que os parques eólicos son autorizacións indefinidas a favor da empresa adxudicataria e que por tanto só se contempla a indemnización por lucro cesante --salvo revisión da concesión en caso de impactos non previstos e "moi ben documentados", Adega conclúe sinalando que cabo Vilán só ficaría libre de aeroxeradores "pola vontade" da empresa ou por "unha decisión valente" da Xunta de Galiza, procedendo a revisar a declaración de impacto ambiental que nos 90 permitiu a Fenosa a colocación dos muíños.
NOS_38979
Impedir que as subministradoras podan cortar a enerxía eléctrica a familias en situación de pobreza e en condicións climatolóxicas duras. Este é o obxectivo da iniciativa que o BNG rexistrou no Parlamento para a loita contra a "pobreza enerxética". A Generalitat está a facer xa modificacións lexislativas e a desenvolver acordos con empresas.
O BNG reclaman á Xunta que inicie o proceso para desenvolver cambios lexislativos que garantan o subministro eléctrico a familias en situación de pobreza. A través dunha iniciativa parlamentaria, a deputada Carme Adán sinala que a "pobreza enerxética" é un dos factores de "vulnerabilidade" en momentos de grave crise e adversas condicións climatolóxicas. A deputada nacionalista defende que os altos niveis de pobreza e as condicións climatolóxicas fan urxente que o Goberno tome medidas á hora de iniciar as modificacións que eliminen a posibilidade de cortes de enerxía eléctrica a persoas sen recursos. Os datos indican que no 2012, 1,4 millóns de vivendas padeceron no Estado español corte de luz por impago de recibos da tarefa eléctrica, o dobre que no inicio da crise. A reclamación do BNG chega nun momento no que a crise está a producir un incremento significativo nos índices de pobreza. A Rede Galega contra a Pobreza denuncia que o número de persoas en situación de exclusión social pasarían a 662.515 en 2012, aumentando un 7,6% a cifra do ano anterior. Cáritas sitúa tamén por riba das 600.000 persoas por debaixo do umbral da pobreza das que máis de 100.000 estarían en condicións de pobreza extrema. A "Enquisa de condicións de vida dos fogares" apunta tamén un incremento significativo do grupo das persoas con moita dificultade para chegar a fin de mes que se incrementou do 2011 ao 2012 en dous puntos porcentuais, pasando do 10,9% ao 12 %. Pola contra, os plans de loita contra a pobreza e exclusión social, foron recortados nun 32% desde o 2009 ate o 2012, pasando de 892.000 euros a 604.945, segundo denuncia o BNG. A Generalitat contra a pobreza enerxética A Generalitat de Cataluña está a tomar xa medidas contra os cortes de subministro a familias en caso de pobreza e estuda o cambio no seu Código de Consum. Desta maneira, CIU avanza na modificación legal que impida que familias en situación de pobreza enerxética queden sen subministro a causa de impagos, de maneira especial, en inverno. O Conseller Felip Puig estableceu xa contactos con Endesa, principal subministradora, e co ministerio correspondente para alcanzar acordos ao tempo que traballa na emenda para modificar o proxecto de lei do Codi de Consum. Esquerra Republicana quere que a norma se inscriba tamén na lei de acompañamento dos presupostos e negocia coa Generalitat a súa inclusión no debate que se desenvolverá próximos días.
PRAZA_18067
Os territorios estremeiros de lingua galega poden ser considerados desde a Galiza administrativa dun xeito mellorábel. Hai un tratamento territorial que non gusta especialmente ao Bierzo. Nos estudos filolóxicos e sociolingüísticos O Bierzo non existe ante o protagonismo da provincia leonesa.
Os territorios estremeiros de lingua galega poden ser considerados desde a Galiza administrativa dun xeito mellorábel. Hai un tratamento territorial que non gusta especialmente ao Bierzo. Nos estudos filolóxicos e sociolingüísticos O Bierzo non existe ante o protagonismo da provincia leonesa. Para comprender esta queixa vexamos algúns exemplos. Nos estudos filolóxicos e sociolingüísticos O Bierzo non existe ante o protagonismo da provincia leonesa Se repasamos os diversos estudos dialetolóxicos comprobamos que O Bierzo non consta neles e si a referencia a León. Así acontece nas investigaciois de Zamora Vicente sobre a frontera entre o galego e mailo leonés "en la provincia de León" (1945). Carvallo Calero determina as súas 4 modalidades do galego sobre puntos lingüísticos da provincia leonesa (1969). Ramón Mariño, na Historia da lingua galega, comenta que "nas zonas de lingua galega de Asturias, León e Zamora, onde viven aproximadamente 75.000 personas" (1998). Noutra investigación sobre a lingua galega do alumnado teiman "nas franxas occidentais de Asturias, León, Zamora" (1992). Polo que toca a Fco. Fernández Rey tamén se refire a "o uso do galego en Asturias, León e Zamora" ou ao galego "na fanxa leonesa" (1998). Ana Seco Orosa ten un traballo titulado "O trazado da frontera do galego na provincia de León" (1998). Máis recentemente, Xosé Costas Glez. publicou un libro sobre os xentilicios, no cal atopamos a distribución deles segundo as provincias de Asturias, León e Zamora (2016). Queremos chamar a atención sobre estes prexuizos inconscientes que fomentan a subordinación administrativa e cultural do Bierzo Todos estes exemplos poden ser considerados pouco precisos. Cremos que non asumen a presenza do Bierzo. Falta o recoñecemento territorial axeitado porque caen nun provincialismo centralista alleo. Queremos chamar a atención sobre estes prexuizos inconscientes que fomentan a subordinación administrativa e cultural do Bierzo. Convén dicir que as instituciois leonesas, Deputación provincial, universidade ou concellos, non teñen ningún interese polo galego do Bierzo senón pola lingua leonesa. Entón, ¿a que vén ese protagonismo comentado dado á provincia leonesa? León non é referente administrativo nin cultural para o galego. O Bierzo, as nosas instituciois e os falantes son os protagonistas da defesa e o fomento do galego. O Bierzo ten un recoñecemento territorial, institucional e identitario especial que debe ser respeitado Por certo, O Bierzo é un territorio cunha clara delimitación xeográfica. Desde 1486 foi considerado como provincia. Esta declaración institucional existíu ao longo de toda a Idade Moderna. Incluso foi provincia liberal en 1822 para logo ser suprimida e integrada na leonesa. Depois a nosa vella provincia foi tamén dividida en dous partidos. Houbo un recoñecemento territorial coa mancomunidade da Comarca de Ponferrada (1969). E por fin tivo lugar a creación legal da Comarca do Bierzo en 1991. Todo o dito é serve para reafirmar que O Bierzo ten un recoñecemento territorial, institucional e identitario especial que debe ser respeitado. Non acontece o mesmo coas outras comarcas estremeiras galegofalantes de Eo-Navia, As Portelas e Val das Ellas. Igualar, por descoñecemento, territorios tan diferentes provoca equívocos e desconfianzas. Tanto a Deputación leonesa coma a Junta de Castela e León non son protagonistas na proteción do galego senón O Bierzo Para favorecer a irmandade cultural e lingüística entre Galiza e O Bierzo convén un mellor coñecemento mútuo. O Bierzo ten loitado históricamente por acadar un maior recoñecemento territorial e bilingüe. Velaí que non se admita ben ese comprobado ocultamento do Bierzo fronte á relevancia da provincia leonesa. Ademais, levamos séculos falando galego sen o abeiro das instituciois foráneas. Tanto a Deputación leonesa coma a Junta de Castela e León non son protagonistas na proteción do galego senón O Bierzo. Publicidade
NOS_19355
Máis de mil persoas acudiron hoxe á chamada de Iniciativa pola Unión co obxectivo de conseguir "unha ampla representación galega soberana" no Congreso, a través dunha candidatura nacional.
Iniciativa pola Unión puxo en marcha hoxe os principais resortes para configurar a candidatura nacional que permita acadar, en palabras da organización, "unha ampla representación galega soberana" no Congreso. Para isto, máis de mil persoas acudiron á chamada de IxU, que realizou a súa primeira grande asemblea no Auditorio de Galiza. As persoas participantes dividíronse en tres grupos de traballo á vez que representantes que encarnan as diversas loitas sociais proxectaban cadansúa problemática diante do plenario, que escoitou numerosas palabras de apoio ao proceso independentista do pobo catalán. Amais de portavoces do ámbito sanitario, do ecoloxismo, do sector leiteiro, do mar, da igualdade, do deporte, da lingua, da memoria… interviñeron diante do plenario responsábeis de organizacións políticas, sindicais e sociais -como Xavier Vence, portavoz nacional do BNG; Rafa Cuíña, alcalde de Lalín e representante de Compromiso por Galicia; Suso Seixo, secretario xeral da CIG, ou Anxo Quintana, portavoz de Somos Nós- para salientar, todos eles, a necesidade de acadar unha candidatura unitaria galega. O sector cultural estivo amplamente representado entre as persoas participantes. Entre outras persoas, asistiron á asemblea Margarita Ledo, Suso De Toro, Manuel Bragado, Quico Cadaval ou Cesáreo Sánchez. As conclusións aprobadas polo plenario Contra as 14.30h déronse a coñecer as conclusións ás que chegaron os distintos grupos de traballo en que se dividiron as persoas participantes. Todas e cada unha das conclusións, que o conxunto do plenario votou por grupos, saíron adiante co apoio da inmensa maioría. O programa electoral terá que estar rematado no prazo dun mes e medio O grupo de traballo número 3 foi o primeiro en comunicar as conclusións: a confección e remate do programa electoral no prazo dun mes e medio e as principais máximas en materia de código ético. A continuación, transmitiu as conclusións o grupo de traballo electoral e de comunicación, o número 2, que acordou que, dado o marco legal electoral existente, a fórmula para concorrer ás eleccións será a de coligazón. Os acordos da coligazón, sinalaron os relatores, "partirán sempre da asemblea xeral e dos órganos correspondentes co máximo respecto pola democracia". No que respecta á escolla da candidatura, acordouse a necesidade de "constituír unha comisión técnica que avalíe de forma concreta un regulamento que determine o proceso de escolla". Tamén se acordou a "necesidade de crear censos previos estruturados de acordo coas circunscricións electorais" que se corresponden coas eleccións estatais. O método será o de "listas abertas con porcentaxe de escolla máxima, e non mínima, por parte das persoas participantes". Necesitaranse un mínimo de avais para candidatarse. A votación será en urna, mais acordouse de estabelecer un sistema telemático que lle dea resposta ás persoas que non poidan votar de maneira presencial, como é o caso das persoas residentes no estranxeiro. O proceso de escolla de candidatos e candidatas será o de listas abertas O grupo que máis se demorou no debate foi o número 1, o relativo á organización e extensión. De aí que fose o último en dar conta das conclusións sobre a elección dos membros da nova coordinadora e as fórmulas de participación de partidos políticos e colectivos. Os principios básicos deste grupo xiran ao redor do obxectivo primordial marcado: a configuración dunha "candidatura nacional" para conseguir "unha ampla representación galega soberana" nas Cortes do Estado. Acordouse a creación dunha comisión nacional formada por 15 persoas, que serán as encargadas de buscar unha fórmula para coordinar IxU coas forzas políticas Este grupo acordou crear unha nova coordinadora nacional en base aos criterios de representatividade e pluralidade existente, así como da participación directa de persoas representativas de diferentes campos. Desta maneira, propuxéronse un total de 15 nomes que terán que ser referendados vía telemática ao longo desta semana: Xosé Luís Rivas "Mini", Rafael Cuíña, Suso Díaz, Suso Bermello, Helena Pérez, Elvira Souto, Olalla Rodil, Antía Cal, Míriam Rodríguez, Xavier Campos, Paula Verao, Fernando Souto, Carlos Ares, María Bragado e Carlos Méixome. Ademais, aprobouse que esta comisión buscará a fórmula de coordinación necesaria de IxU coas forzas políticas que queiran participar neste traballo de conformación da candidatura. Pola outra banda, este grupo número 1 acordou a organización de actos de Iniciativa pola Unión ao longo do país. O representante de Encontro cidadán por unha Marea Galega elude referirse a unha candidatura "galega" A participación dun dos portavoces do Encontro cidadán por unha Marea Galega, Quique Costas, espertou interese entre as persoas participantes. Na súa intervención, que comezou agradecendo o convite, eludiu, en todo momento, aludir a unha candidatura "galega". Así, insistiu en que o Encontro traballa por acadar "unha candidatura única de unidade popular". Malia evitar falar de Galiza e da candidatura galega, Costas salientou a vontade do Encontro de "traballar xuntos e xuntas para conformar unha candidatura unitaria". Explicou que as persoas "militantes" do Encontro adoptarán a decisión entre "todos e todas": "optaremos por sumarnos á proposta da Iniciativa pola Unión ou pola contraproposta do Encontro", sinalou. O representante do Encontro tampouco quixo facer referencia ao pre-acordo anunciado por Anova, Esquerda Unida e Podemos a pasada sexta feira para acudir xuntos nunha mesma candidatura.
PRAZA_14769
O encontro, que se celebrará o vindeiro luns no Consello da Cultura, achegará a perspectiva de profesionais alleos ao sector, e quere situar na primeira liña de debate a promoción cultural como un deber fundamental das administracións públicas.
"Estamos a atravesar un ciclo perturbador de economía abafante, na que os servizos públicos (conquistas democráticas) que até o de agora fomos gozando -sanidade, educación cultura, servizos sociais...- están a ser cernados cando non desaparecen de vez. No que ás artes escénicas respecta, xa vai para tres anos que desde o sector comezamos a cualificar a situación de desmantelamento cultural: a desaparición da Feira das Artes Escénicas, supresión de programacións como os Camiños da Cultura, a febleza da Rede de Teatros... dan proba do que estamos a falar, ficando cada vez máis lonxe a posibilidade de acceso da cidadanía a gozar dos bens culturais, dese aporte de lecer e ximnasia intelectual, dese garante de democracia". "As artes escénicas teñen que estar no cerne da construción dun sistema social acorde coa cidadanía, mais a política económica abafante dos últimos anos só contribuíu a mutilar os servizos sociais e mesmo a facelos desaparecer de vez" Deste xeito presenta Escena Galega a terceira edición da súas Xornadas das Artes escénicas, centradas nesta ocasión na reivindicación do teatro como servizo público. Terán lugar o vindeiro luns 29 de outubro no Consello da Cultura Galega e están dirixidas a profesionais das artes escénicas, como directores, produtores, actores ou programadores, ademais de estudantes e público xeral. O prazo de inscrición remata este xoves. Escena Galega quere situar na primeira liña de debate a promoción cultural como un deber fundamental das administracións públicas: "as artes escénicas teñen que estar no cerne da construción dun sistema social acorde coa cidadanía, mais a política económica abafante dos últimos anos só contribuíu a mutilar os servizos sociais e mesmo a facelos desaparecer de vez". De igual xeito Escena Galega considera que "as políticas dos últimos tres anos conduciron a un desmantelamento cultural, en particular das artes escénicas". As xornadas contarán coa participación de persoas relacionadas coa cultura, pero que non pertencen directamente ao sector teatral. O obxectivo é, como explica o presidente da asociación, Salvador del Río, "ter unha visión diferente á dos profesionais do propio sector para analizar a relación do teatro coa sociedade e o contexto seu cultural. Trátase de valorar se a sociedade o considera necesario, se existe demanda". "As políticas dos últimos tres anos conduciron a un desmantelamento cultural, en particular das artes escénicas" Así nas distintas mesas previstas participarán Pilar García Negro, María Xosé Porteiro, Miguel Martín Fernández, ex director de Agadic, ou Inma López Silva, crítica teatral e profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo. Outro dos debates previstos centrarase na comunicación e a distribución da man de Xosé Manuel Pazos Varela, autor, tradutor e dramaturgo, Manuel Xestoso González, xornalista, editor, tradutor e crítico literario e teatral e Ana Romaní, directora do Diario Cultural da Radio Galega. Programa das xornadas (.pdf)
PRAZA_12064
Unha parella de orixe cubana (el con nacionalidade española) levou a súa filla de dous meses a urxencias. Dado que non contaban co suficiente tempo de empadroamento para teren acceso á tarxeta sanitaria (despois da modificación efectuada polo goberno Feijoo en setembro), un mes despois recibiron unha factura de 351,01 euros.
Para elas, para elas, o estado de benestar español sempre foi un recorte imperfecto. Saben ben o que é vivir cos dereitos minguados. Lévano padecendo dende sempre polo simple feito de estar suxeitos á Lei de estranxeiría, e máis agora, cando a crise serve de escusa para limitar aínda máis os seus dereitos básicos. Como tirar para adiante cando che eliminan o dereito á asistencia sanitaria gratuíta? Cando dos concellos desaparecen as unidades especializadas na atención social e xurídica á poboación migrante? Cando se incrementa a presión policial na rúa? E cando o actual partido no goberno ten entre os seus plans futuros a eliminación da principal vía de acceso na actualidade para a obtención do permiso de residencia, o procedemento de arraigo social? A pregunta pode parecer retórica. Non o é para un colectivo acostumado a buscar respostas nas condicións vitais máis duras. Sen dereito á saúde 5 de setembro de 2011. Na orde que aproba ese día a Consellería de Sanidade esíxese un mínimo de 183 días de empadroamento para ter acceso á tarxeta sanitaria. 17 de decembro de 2011. Unha parella cubana, chegada a Galicia hai apenas dous meses, pregúntanse se levar á súa filla ao centro médico. A nena, de catro anos, non para de vomitar, non retén nada do que come. O pai e a nai temen ter que pagar pola consulta. Son microbiólogos, mais están desempregados e acostumándose a un país novo ao que chegaron á procura de alternativas mellores, explícanme, fronte á carestía de recursos e a falta de liberdade na illa. O pai e a nena teñen a nacionalidade española mais con contan co suficiente tempo de empadroamento. A cativa non mellora e deciden ir. Son derivados a urxencias ao Hospital Clínico de Santiago. En total, tres horas de atención. Un mes despois, á casa chégalles unha factura de 351,01 euros. O caso está recorrido na actualidade por Médicos del Mundo. O proceder administrativo é máis cuestionable aínda tendo en conta que a mesma orde da Consellería exclúe á persoas menores de idade, ao igual que ás mulleres embarazadas, da esixencia de seis meses de empadroamento para ter asistencia sanitaria gratuíta. Dentro do ordenamento xurídico sanitario, a atención sanitaria de urxencia é un dereito incondicionado A medida da Xunta pode, ademais, entrar en colisión co regulamento vixente. Así llo fixo saber a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública da área de Compostela ao Valedor do Pobo, denunciando a súa posible inconstitucionalidade e incompatibilidade, entre outras normas, coa Lei Xeral de Sanidade. Dentro do ordenamento xurídico sanitario, a atención sanitaria de urxencia é un dereito incondicionado. Ademais, a orde da Consellería de Sanidade toca dereitos fundamentais que non se poden modificar cunha norma que non ten rango legal. "Cando estamos falando dun dereito fundamental, neste caso vinculado á saúde da persoa, a posibilidade de restrinxir cunha norma que non ten rango legal un dereito fundamental é tendencialmente nula", afirma José Ángel Brandariz, profesor de Dereito Penal na Universidade da Coruña. Dubidosa é tamén a súa eficacia como medida de aforro. O colectivo inmigrante, en Galicia, é reducido e, ademais, está conformado por unha poboación xeralmente nova, con boa saúde e, polo tanto, escaso consumo de recursos sanitarios. Aforrar no chocolate do loro, porén, pode ter efectos na saúde pública, non só do colectivo inmigrante senón do resto da poboación, canto que se está a menoscabar a medicina preventiva. "Todas as afeccións sinxelas e transmisibles a outras persoas non se van cubrir. Podemos ter a unha persoa con varicela que, por non acudir ao centro médico, lla estea contaxiando ao seu entorno", exemplifica Nieves Turienzo, presidenta de Médicos del Mundo en Galicia. Especialmente preocupantes, poden ser, indica Turienzo, as repercusións para determinados colectivos, como o das mulleres que traballan na prostitución, moitas delas inmigrantes, en situación irregular, e con gran exposición a afeccións como a hepatite B, C ou o o VIH, que, nun contexto de medicina preventiva, si se poderían detectar antes de que provoquen alteración algunha Comezan a condicionarse o exercicio dalgúns dereitos, mesmo o propio acceso á residencia polo arraigo social A actuación da Consellería de Sanidade galega encádrase nun determinado marco normativo que, trala reforma de 2009 da Lei de estranxeiría e o posterior regulamento en 2011, lle concede ás comunidades autónomas un protagonismo do que antes carecían, tanto no deseño como na aplicación das políticas migratorias. O cambio xorde, explica Brandariz, ante a urxencia e a presión dalgunha delas, en especial a catalá, de xestionar as pulsións xenófobas na súa cidadanía. O regulamento de estranxeiría aprobado en abril de 2011 deixa que sexan as comunidades as que fixen as condicións de empadroamento. Comezan a condicionarse o exercicio dalgúns dereitos, mesmo o propio acceso á residencia polo arraigo social, a informes de integración que elaboran as autonomías e xorden novas ferramentas xurídicas moi importantes para o exercicio de dereitos pero que engaden máis marcos de discrecionalidade. "Para o exercicio de dereitos que antes era practicamente automático na medida en que se cumprisen unha serie de requisitos agora engádese un novo requisitos que ten que ver co cumprimento de criterios de integración deseñados pola correspondente comunidade autónoma e que son valorados de forma altamente discrecional", indica o profesor. As UAMIS (Unidades de Atención á Inmigración) son como o Guadiana. Aparecen e desaparecen dos municipios segundo haxa ou non recursos As UAMIS, no limbo 25 e 26 de xaneiro de 2011. O Foro Galego da Inmigración solicítalles aos alcaldes da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela uns servizos de atención á poboación inmigrante permanentes e dotados das e dos profesionais necesarios. As UAMIS (Unidades de Atención á Inmigración) son como o Guadiana. Aparecen e desaparecen dos municipios segundo haxa ou non recursos e, dende principios de ano, volven estar de novo soterradas. A 31 de decembro de 2011 remataron os convenios para o seu mantemento entre os concellos e a Secretaría Xeral de Emigración, que á súa vez obtén o financiamento dos fondos de integración estatais. Que volvan a abrirse dependerá da sinatura de novos convenios. E en Santiago, o ano pasado, isto non se fixo até o verán. É pois un servizo sometido á continua incerteza e no que, en todo caso, a discontinuidade limita de modo notable a súa calidade, pois non permite consolidar experiencia no seu persoal, contratado en precario e con carácter temporal. Hoxe por hoxe, dinnos dende o Foro Galego da Inmigración, a oficina da UAMI fica pechada en Ferrol, mentres que na Coruña e Santiago, a atención á poboación inmigrante foi derivada aos servizos sociais. Son, dalgún modo, apaños, que non solucionan a redución de recursos e de persoal. Se, en Compostela, en 2011 había tres persoas contratadas en base ao convenio para prestar esta atención, xunto cunha técnica municipal, agora reducíronse a dúas. Para levar a cabo con éxito o procedemento de arraigo, por exemplo, é preciso contar cun contrato laboral dun ano e poder demostrar tres anos de estadía no país "Nos demandamos que haxa un asesor xurídico e un traballador social especializado e traballando a tempo completo nisto" −explica o voceiro do Foro Galego de Inmigración, Miguel Fernández−. "E máis agora, que as persoas migrantes están tendo máis problemas coas renovacións ", puntualiza. A maraña administrativa que se require para ter os papeis en regra é un labirinto abondo complexo, sobre todo nun momento no actual no que se incrementan os requisitos e as condicións para cumprilos. Para levar a cabo con éxito o procedemento de arraigo, por exemplo, é preciso contar cun contrato laboral dun ano e poder demostrar tres anos de estadía no país, aparte dun informe acreditando o seu grao de inserción que se ha de realizar precisamente dende os concellos. "Sen a UAMI, vai haber un gran baleiro", indica Adama, senegalés residente na Coruña dende 2008. Orde do 5 de setembro da Consellería de Sanidade Regulamento de estranxeiría de abril de 2011
NOS_39508
O informe 2019 da IXP Tenreira Galega sinala certa estabilidade no sector. Manteñen cifras de mercado coa eiva de non avanzar na comercialización a nivel internacional. O maior perigo para a continuidade das explotacións segue a ser os baixos prezos e a falta de apoio institucional en forma de axudas.
A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Tenreira Galega pechou o exercicio 2019 crecendo no campo e mantendo as súas cifras no mercado. Tanto o número de explotacións activas como, sobre todo, o número de tenreiros rexistrados medraron de maneira significativa, con valores preto de 2%, acadando as 8.298 explotacións inscritas con actividade e os 135.263 tenreiros rexistrados e controlados. Continuidade nos datos A satisfacción é moderada no sector en canto ao número de canles certificados e de toneladas de carne comercializadas baixo o amparo desta IXP. Os datos foron lixeiramente inferiores aos de 2018, con diferenzas insignificantes de apenas 0,5%, acadando as 96.104 canles certificados e 21.235 toneladas comercializadas. Con respecto ao valor económico en primeira venda da carne comercializada, este foi de 123 millóns de euros. As cifras no mercado permaneceron practicamente similares ás do ano 2018, a pesar da presión a diferentes niveis que sofre na actualidade o consumo de carne e das novas tendencias comerciais e gastronómicas. Mellorar nos prezos A evolución dos prezos en orixe mantivo a estabilidade doutros anos, con oscilacións maioritariamente entre os 4,30 e os 5 euros/kg canle. Este é un apartado que preocupa, na liña das demandas doutros sectores do campo galego. "Os prezos da carne de vacún teñen que mellorar", asegura a Nós Diario Jesús González, presidente do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún da Galiza, "a rendibilidade das explotacións ten relación cos prezos a que vendan os xatos e deles dependerá a súa continuidade, aínda que na nosa IXP estamos por enriba dos prezos do mercado". Afirma que a gandaría "é fundamental para fixar poboación no rural". Desde Tenreira Galega apoian as reivindicacións destes días pedindo prezos xustos. "Hai que tomar medidas con urxencia, diso dependerá a nosa continuidade". Para González "a maior parte da xente que vive no rural non quere enriquecerse, pretende vivir dignamente do seu traballo". A internacionalización, esa materia pendente A comercialización no exterior é unha das materias pendentes para esta IXP. Case a metade da produción (46%) consómese no noso país. A exportación cara ao resto do Estado (Levante e zona centro) é de 51% e para outros países (Alemaña, Portugal e Andorra) queda en 3%. Existe un Plan de Internacionalización a través de misións comerciais inversas e a organización de presentacións profesionais na Alemaña, ademais da participación nas principais feiras alimentarias e gastronómicas de referencia no sector. A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube
PRAZA_841
No fondo parece-nos escuitar ainda, a maneira de insistente baixo contínuo, o escuro rumor do Gospodi pomilui que resistiu com firmeza à Revoluçom triunfante.
O objectivo perseguido polo estranho ioga cristão empenhado em sincronizar o ritmo da respiraçom com o latido do coraçom e a repetiçom incessante da prece de submissom incondicionada à vontade divina, era aceder ao inefável sentido da unicidade do ser e alcançar a subtil fronteira que conecta inconsciência com transcendência. Umha variante da pratica ascética dos místicos de todo o tempo e lugar na sua procura da iluminaçom. A paixom empenhada na invocaçom contínua do divindade acabou impregnando os mais diversos estamentos sociais da Rússia nos albores do século XX, desde os mais humildes aos mais eminentes, entre eles os mais insignes matemáticos. O nexo conector da mística com a matemática foi, como era de esperar, o desmesurado conceito de infinito. O responsável de ceivar tam ominoso génio da filosófica garrafa em que descansava foi George Cantor (Sam Petersburgo, 1845; Halle, Alemanha, 1918). Em 1872, George Cantor, um moço de apenas 27 anos, acedia à cátedra de matemáticas em Halle. Dous anos depois publicava o seu primeiro trabalho sobre teoria de conjuntos – qualquer colecçom de objectos ou números – e começava a investigar as propriedades dos conjuntos de dimensom infinita. O empenho de medir o infinito foi a paixom da sua vida. O primeiro conjunto a medir era, obviamente, o dos números naturais (1, 2, 3...), mas já nele surgiam paradoxos. As sucessivas potências do conjunto de números naturais eram, obviamente, conjuntos infinitos da mesma dimensom: (1, 2, 3, ...) ↔ (12, 22, 32, ...) ↔ (13, 23, 33, ...), etc. Mais ainda, Cantor conseguiu demonstrar em forma simples e engenhosa que o conjunto dos números racionais ou fraccionários, aqueles que se podem escrever como (a/b), tenhem a mesma dimensom do conjunto dos números naturais. Libertado o génio da garrafa já nom deu trégua. Cantor acometeu entom a tarefa de medir o conjunto dos números irracionais, esses estranhos seres caracterizados por cada um deles contarem com infinitos números decimais: π, e outros igual de misteriosos. Assombrosamente, cada número irracional arrasta tantos decimais como o conjunto completo dos números naturais. Cantor viu-se obrigado a concluir que o conjunto dos números irracionais era mais infinito do que a família dos naturais e os seus parentes. Nom estará de mais lembrar que na actualidade o recorde de decimais calculados para o número π um só no conjunto dos irracionais supera os 10 bilions de dígitos distribuídos em forma imprevisível. Resulta prodigioso comprovar como ambos infinitos, o dos naturais e o dos irracionais, cabem, perfeitamente ordenados, no eixo X, esse segmento ideal que traçamos do zero "até o infinito". Nom é difícil situar, aliás, cada número no seu lugar preciso no eixo X. A colocaçom dos números naturais e fraccionários é trivial, mas também a dos irracionais. Assi, podemos situar o número sem mais que abater sobre o eixo X a diagonal de um quadrado de lado 1. O número π situará-se no ponto final de um círculo de diâmetro 1 que roda sobre o eixo X. O inocente eixo cartesiano parece absorver todos infinitos sem a menor dificuldade. A mente lógica de Cantor nom sofreu inquietaçom pola proliferaçom de infinitos; procedeu simplesmente a ordená-los por tamanho. Para começar, etiquetou o primeiro infinito dos naturais e racionais com o cardinal transfinito alef 0, em homenagem à primeira letra do alfabeto hebreu. Quanto ao infinito dos irracionais, de dimensom inconcebivelmente superior ao anterior, baptizou-o como alef 1 e conseguiu comparar a sua dimensom com o do conjunto anterior em forma precisa: alef 1 = 2alef 0. Nascia assi a inquietante linhagem dos alef para numerar o inumerável. A dimensom de alef 1 é incrível; todos conhecemos a história do prémio consistente em pôr 1 grao na primeira cela de axedrez, 2 na segunda, 4 na terceira...263 na cela número 64. A suma total equivale a 18 trilhons de grãos (!), cifra superior à produçom mundial de trigo em 200 séculos. Kronecker, o mestre de Cantor, qualificou a teoria de loucura matemática mas Cantor nom cedeu na titánica tarefa de estabelecer a misteriosa hierarquia dos conjuntos infinitos abismando-se em inquietantes paradoxos: haverá algum alef entre alef 0 e alef 1? Quantos alef pode haver? Pode conceber-se um infinito absoluto como metáfora definitiva de Deus? A matemática e a religiom assediavam a poderosa mente de Cantor decidindo-o a vestir o infinito de caracteres hebraicos, como Deus com o alfabeto grego ou cirílico. Trás de Cantor e o seu inquietante séquito vinhérom os franceses – os Lebesgue, Borel, Baire – e atrás deles os subtis matemáticos da escola russa: Egorov, Luzin e a sua impressionante estirpe. Foi entom quando a titánica linhagem dos infinitos e as desconcertantes antinomias da continuidade entrárom em diálogo com a esquiva tradiçom dos homens santos. A prática da oraçom do coraçom foi difundida polo starets Hilariom que professo no Monte Athos. Em 1907 viu a luz o seu livro As montanhas do Cáucaso em que descrevia a prática da oraçom contínua. O mosteiro de Óptina acolheu com entusiasmo a santa prática do oraçom incessante. O movimento foi condenado nos mais severos termos pola hierarquia ortodoxa mas o seu fascínio acabou contagiando o mapa dos infinitos de Cantor. A escondida espiritualidade dos suplicantes ameaçava os precários equilíbrios políticos no momento e lugar mais inoportuno. O descomunal império russo decidiu cortar de raiz a insidiosa infecçom. Corria o ano 1913. Em junho desse ano, um canhoneiro da marinha de guerra imperial acompanhado de dous navios de transporte atracou no porto do sagrado Monte Athos. Traguiam ordem expressa do imperador Nicolás II de pôr fim de grado ou por força ao culto ao divino nome que infectava o mosteiro de Sam Pantaleom. Os monges bloqueárom portas e janelas para resistir o assalto dos 120 infantes de marinha designados para executar a operaçom. A comunidade resistia bradando desde o interior do mosteiro: Gospodi pomilui, Senhor tem piedade! A intervençom imperial estava justificada pola instabilidade da situaçom do Monte Athos e as suas potenciais consequências na regiom. O império otomano vira-se obrigado a abandonar o Monte e os monges pretendiam constituir-se agora em república teocrática independente, objectivo que a Grécia, assediada por intermináveis conflitos com o império otomano, nom estava disposta a tolerar. As ordens eram terminantes. A infantaria imperial emprazou metralhadoras frente ao mosteiro e começou a atacá-lo com canhons de água. Vencida finalmente a feroz resistência dos monges e rechaçada por estes a mediaçom do arcebispo Nikon de Vologda ali presente, a comunidade monacal foi classificada polas suas convicçons: 661 monges declarárom fidelidade ao magistério ortodoxo, 517 mantivérom-se inflexíveis na defesa da espiritualidade hesicasta e 360 mais negárom-se a declarar ante o bispo. Uns e outros fôrom declarados heréticos e espalhados por diversos mosteiros e pequenos oratórios rurais do imenso império. Foi neste preciso momento da virada de século quando nasce a imponente escola matemática russa. Um livro fascinante de recente publicaçom1 relata a sua dolorosa história. Os autores som Loren Graham (1933), Universidade de Harvard, membro da Sociedade Filosófica americana, e Jean Michel Kantor (1946), da Paris VII, membro da redacçom da Gazette des mathématiciens. O relato dos dous matemáticos constitui umha apaixonante viagem pola biografia dos grandes mestres da escola e as suas vinculaçons com a oculta sabedoria da oraçom mental incessante. A incrível fratria matemática dos Egorov, os Luzin e os Florenski era conhecida na Universidade moscovita como a Lusitánia, nom sabemos se polo impressionante transatlántico homónimo de 240 metros de comprimento, afundado por um submarino alemao em 1915, ou quiçá em irónica homenagem a Luzin. Igual que Egorov e Luzin, Florenski fora discípulos de Nikolái Bugáiev, presidente da Sociedade Matemática de Moscovo, criador da teoria das funçons descontínuas e pai de Andrei Bely, amigo de todos eles e mestre da literatura simbolista russa. Em setembro de 1930 prendérom a Egorov e a quarenta crentes mais, acusados de adulterar o pensamento matemático com crenças religiosas e pertença a seita contra-revolucionária. O respeitado mentor da escola matemática russa foi encerrado no Hospital de Kazán onde seguiu praticando a oraçom mental. Afinal negou-se a comer e acabou por ser trasladado á casa de um matemático amigo onde finou recitando um salmo. Foi enterrado numha fossa comum sem assistência de séquito por temor ao controlo policial. Posteriormente, os amigos conseguírom recuperar os seus restos e pôr-lhes lápida para preservar a sua memória. Foi preciso esperar até a abertura dos arquivos de KGB em 1991 para conhecer os últimos anos de Florenski, esse enigmático personagem que aos 22 anos obtinha a licenciatura em matemáticas com a tese Sobre as peculiaridades das curvas planas como lugar de descontinuidades para matricular-se a seguir no Seminário Teológico de Moscovo e doutorar-se com umha obra que combina doze meditaçons teológicas com eruditos apêndices sobre os infinitos de Cantor, a lógica de Lewis Carrol e os números irracionais considerados por ele pertinentes para apoiar as meditaçons: A coluna e o fundamento da verdade. Em 1921 encontramo-lo leccionando teoria do espaço na Faculdade Superior de Arte, frequentada por alguns dos mais grandes artistas da vanguarda soviética, e mais tarde oficiando de engenheiro no programa de electrificaçom da Uniom Soviética. Mijaíl Nésterov deixou-nos a sua imagem sotaina branca, longo bastom e negro capuz passeando com o filósofo e economista Serguéi Bulgákov. O quadro, Os filósofos, foi assinado em 1917 e pode ser admirado actualmente na Galeria Tretiakov de Moscovo. Florenski foi condenado a reclusom num campo de trabalho forçado instalado nas ilhas Solovki onde transcorrérom os cinco últimos anos da sua vida até o momento do seu fusilamento em 8 de dezembro 1937 "por actividades contra-revolucionárias". A sua memória perde-se numha fossa comum nas proximidades de Leninegrado. Afinal, Luzin conseguiu salvar a vida num angustioso processo travado entre a embaixada soviética na França e a comunidade matemática francesa. Luzin costumava viajar a França a convite dos matemáticos franceses, sem por isso decidir-se a abandonar Moscovo onde guardava amores e amizades. Ia ser o seu amigo e eminente físico soviético Piotr Kapitsa quem contribuiria mais eficazmente a salvar o matemático. Kapitsa premio Nobel de física em 1978 argumentou ante os burocratas de KGB que o perseguiam: "Newton, a quem devemos a lei da gravidade, era um maníaco religioso, Cardano...um borracho e um libertino... Qual seria o destino deles na Uniom Soviética? O relato de Grahan e Kantor deambula por biografias e íntimas crenças que marcárom a assombrosa árvore genealógica da matemática russa moderna que o livro oferece no seu esplendor. Percorremos a sua incrível enramada tendida sobre um oprobrioso cenário de terror e delaçom. No fondo parece-nos escuitar ainda, a maneira de insistente baixo contínuo, o escuro rumor do Gospodi pomilui que resistiu com firmeza à Revoluçom triunfante. 1- Graham, Loren; Kantor, J. M. (2012): El nombre del infinito. Un relato verídico de misticismo religioso y creatividad matemática, Acantilado, Quaderns Crema, Barcelona. Le aquí a primeira parte do artigo
NOS_36984
Ramón Iglesias Mazaira abriu esta quinta feira as comparecencias no xuízo do accidente do Alvia en Angrois (Compostela), decorrido en 2013. O xefe de maquinistas reiterou que os responsábeis do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) sabían do perigo da curva de Angrois antes do sinistro. El mesmo achegara con anterioridade un informe que alertaba do risco do trazado.
O testemuño de Ramón Iglesias Mazaira era un dos máis agardados. Este profesional de Renfe remitira en decembro de 2011, só uns días despois da inauguración da liña de alta velocidade Ourense-Santiago, un informe aos seus superiores onde advertía do risco que supuña para o tráfico ferroviario e para a seguridade dos pasaxeiros a curva de Angrois. Iglesias aproveitou as preguntas da Fiscalía e dos diversos letrados das diferentes defensas para reiterar a versión recollida no seu relatorio de decembro de 2021 e deixar constancia do perigo do trazado. Ángel Lluch Iglesias lembrou o escrito remitido ao xefe de Produción e Medios da Xerencia de Mercado Norte de Renfe, Ángel Lluch, onde alertaba das "anomalías" na nova liña de alta velocidade Santiago-Ourense. No mesmo, sinalaba o "brusco" descenso da velocidade, "sen aviso previo", na curva de Angrois, reclamaba medidas de seguridade e apuntaba que "parece importante ao respecto do momento anterior estudar a posibilidade de solicitar a implantación en vía de sinais de limitación permanente a 80 quilómetros por hora, que poderían facilitar o cumprimento das velocidades máximas". Declara o xefe de maquinistas que alertara de "anomalías": "Nunca vira un salto de 200 a 80 quilómetros por hora" O xefe de maquinistas indicou que a liña Ourense-Santiago conforma "unha transición descendente por infraestrutura da velocidade máxima, que pasa de 300 quilómetros por hora a 80 quilómetros por hora dunha forma brusca, sen un aviso previo por sinalización da vía e sen o amparo do ERTMS [sistema de seguridade]". Neste sentido, explicou que "esta transición", ocorre "nunha zona de máxima atención e de risco pola citada transición de sistemas e pola sinalización lateral que hai que respectar". Asegurou que só "existe un sinal de velocidade descendente (PTO) á altura do punto quilométrico 84.230, pero de pouco vale posto que de non reducir previamente a velocidade, nada se poderá facer xa". Un veciño de Angrois: "O maquinista dixo que xa o tiñan denunciado, que non se podía circular por esa vía a esa velocidade" José Luis Carreira O risco do tramo de Angrois foi tamén reiterado polo xefe de circulación da estación de Santiago, José Luis Carreira. Este empregado de Adif afirmou que o espazo do accidente "podía estar mellor sinalizado". Nesta liña, expuxo que a entrada na bifurcación da Grandeira é "complicada" e asegurou que "o risco que entrañaba ese tramo" da liña escoitoullo "a varios maquinistas cando estaban a comentar cousas do traballo", no momento no que se realizaban as probas da liña. Veciñanza de Angrois A vista desta quinta feira contou cos dous veciños de Angrois que auxiliaron o maquinista do Alvia, Francisco Garzón, tras producirse o sinistro. Un deles asegurou que após interpelar Garzón sobre as causas do accidente este contestoulle "que fora culpa del", sinalando a continuación que "dixo que iso xa o tiñan denunciado, que non se podía circular por esa vía a esa velocidade".
NOS_35246
"¡Que inchadiña branca vela / antre os millos corre soa, / misteriosa pura estrela! / Dille o vento en torno dela: / 'Palomiña, ¡voa!,¡voa!", cantou Rosalía de Castro en Cantares Gallegos (1863). A estes versos remiten desde a Fundación da poeta e a asociación Dorna da Arousa para organizar a Inchadiña Branca Vela deste sábado, 3 de agosto: máis dunha ducia de dornas remontarán Ulla e Sar para celebrar a autora de Follas Novas.
Os mariñeiros levantarán áncoras da praia fluvial de Vilarello, en Valga, ás catro e media da tarde. Topónimos rosalianos sucedéranse ao longo da singradura: as brañas de Laíño e as veigas de Lestrobe. Unha hora e media despois, arredor das seis, as embarcacións arribarán ao Espolón de Padrón. Alí, ao pé da estatua de Rosalía de Castro, "a xente do mar renderalle homenaxe". A organización do evento, coa que colaboran os concellos de Padrón, Valga e Dodro, Corauto e a Pulpería Rial, chama a participar na saída en Vilarello, na arribada en Padrón ou ao longo do traxecto. "Lamentabelmente nas dornas non hai moito sitio", explica, ao tempo que abren a porta a navegar na vindeira edición da Inchadiña: "Se nos fas fotos ou gravas vídeos e nolos mandas (fundacionrosalí[email protected]) podes gañar un convite para o ano que vén. Será para quen consiga máis gústames no Facebook".
NOS_48941
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, non puido superar a cuestión de confianza á que se someteu nun pleno extraordinario que tivo lugar na mañá do sábado. A moción de confianza, vinculada á aprobación do orzamento de 2016, contou cos votos en contra do PP e do PSOE. O BNG votou a favor.
"Chegou a hora de que cadaquén decida que papel quere xogar". Así se expresaba o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, cando defendeu a cuestión de confianza que se debateu na mañá do sábado nun pleno extraordinario e que non puido superar. PP e PSOE votaron en contra e a concelleira do BNG, Avia Veira, votou a favor en aras dunha "oposición construtiva". A edila nacionalista cargou contra a Marea e o PSOE por se "botaren as culpas" e por deixaren "a cidade sen varrer". Urxiu ambas as formacións a traballar para evitar que a situación derive nunha vitoria do PP, "hai que chegar a acordos para resolver os problemas; xa está ben de tomaduras de pelo, do espectáculo que estamos dando". O PSOE xustificou o seu non ao entender que o alcalde "non merece" a confianza dos socialdemócratas. O concelleiro José Manuel García emprazou a Marea Atlántica a "crear un espazo político que dea estabilidade" e sinalou que o PSOE apoiará "cada acción" do Goberno se hai "diálogo". Rosa Gallego, portavoz do PP, reclamou na súa intervención a dimisión do alcalde por ter "a cidade paralizada" e acusou Ferreiro de "ir de vítima a costa dos coruñeses". Emprazou o PSOE e o BNG a se posicionaren "ao lado do caos ou do resgate da cidade". Ao non superar a cuestión de confianza o alcalde, a Corporación da Coruña dispón do prazo dun mes para buscar un candidato ou unha candidata á Alcaldía. Se non hai acordo entre os partidos, Ferreiro seguirá a ser rexedor e os orzamentos aprobaranse de maneira automática. O PSOE descarta a moción de censura Após a sesión plenaria, o concelleiro do PSOE José Manuel García asegurou que a formación socialdemócrata non prevé sumarse a unha moción de censura, "nin entra dentro do noso calendario próximo nin a medio prazo". Desbotou, así, a existencia de conversas para impulsar unha alternativa ao Goberno da Marea Atlántica.
NOS_9795
Ao longo desta semana, o Servizo Galego de Saúde notificou vinte mortes relacionadas con gromos en residencias da terceira idade. A oposición redobrou as críticas á xestión do Partido Popular á fronte da Xunta, sinalando que se detectan focos cando os contaxios atinxen a unha gran parte dos usuarios e usuarias e mais o cadro de persoal e que as medidas implantadas por Sanidade amosaron ser "insuficientes".
Os falecementos relacionados con gromos da Covid-19 e notificados esta semana poñen de novo o foco sobre a rede residencial. Na segunda feira, a xornada con máis mortes en cinco meses, Sanidade informou do pasamento de sete usuarios e usuarias dos centros de Os Gozos, en Pereiro de Aguiar e baixo control da Xunta, e de Val de Monterrei. Desde que Galiza entrou na denominada 'nova normalidade' faleceron 79 de residentes contaxiados da Covid-19, 20 deles entre a segunda feira e a sexta feira. A evolución dos gromos nestes centros redobraron as críticas da oposición ao Executivo galego liderado por Alberto Núñez Feixoo, sinalando que as medidas da Xunta chegan "tarde" e son "insuficientes". Se ben a segunda ola da pandemia está a golpear con menos forza os xeriátricos que a primeira, a rápida evolución dalgúns focos obrigou a Xunta a intervir catro centros desde agosto e a endurecer os seus protocolos. Entre outras medidas, anunciou a intensificación das inspeccións laborais, o estabelecemento de grupos fechados de usuarios ou os cribados aleatorios nos centros. Con elas dáse resposta a algunhas dos potenciais riscos sinalados pola Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría en abril, como a falta de detección precoz do virus nun persoal que traballa de maneira estreita cunha poboación fráxil. Mais óbviase outra das principais recomendacións, a derivación dos anciáns contaxiados da Covid-19 ao sistema hospitalario. "A atención á enfermidade COVID-19 é unha competencia clara do Sistema de Saúde", advertiu a entidade hai máis de medio ano. Segunda vaga Os dous primeiros grandes gromos en residencias desde a fin do confinamento, o do Incio e o de DomusVi Lugo, tiveron lugar na área sanitaria de Lugo. No transcurso de ambos, cargos do Executivo galego e do Partido Popular como propio Núñez Feixoo ou portavoz parlamentar Pedro Puy defenderon que as residencias están mellor preparadas, mais admitiron preocupación polos centros nos que se concentra o virus. Foi o 20 de agosto cando a Xunta informou do primeiro dos focos, o do Inicio, detectado dous días despois de que a Administración galega aceptase mudar o protocolo das residencias e realizar unha proba de coronavirus ao persoal que se incorporase a estes centros. Os contaxios escalaron rapidamente aos 59 usuarios e 9 profesionais e a Xunta anunciou a intervención para garantir "a calidade asistencia" e mais a "seguridade". O 26 de agosto rexistrouse unha alza nos positivos superando o centenar, cun de cada tres anciáns contaxiados. A Fundación San Rosendo argumentou que se contratara persoal de reforzo e fontes da residencia puntualizaron que os maiores confinados non estaban "graves" e que no centro se seguiron os protocolos. O gromo ocasionou a morte de máis dunha vintena de persoas. Os primeiros positivos de coronavirus en DomusVi Lugo foron notificados dous días despois, o 28 de agosto, e o 6 de setembro informábase do primeiro falecemento dun residente do centro Na xornada do 8 a rápida evolución do gromo con 94 usuarios e cinco profesionais afectados obrigou a Xunta a intervir. Retrasos nas probas O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, manifestou daquela as críticas que esta semana repetiu a oposición acusando á Xunta de estar "actuando tarde". "Debe exercer un control máis exhaustivo do que está a acontecer", manifestou, lembrando que no confinamento se trasladaron positivos a centros medicalizados como o de Compostela. "Semella que agora non está pasando". Case dúas semanas despois, a detección de 106 casos positivos na residencia de Os Gozos, no concello de Pereiro de Aguiar, desembocou na cuarta intervención da Xunta. O total de contaxios ascendía a 112 entre residentes e 25 no cadro de persoal e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou que se analizaría o caso para "ver que fallou". Outro foco no xeriátrico Val de Monterrei afectaba a 46 usuarias e usuarios. O persoal de Os Gozos denunciou "atrasos de até cinco días" para coñecer os resultados das PCR levadas a cabo por Sanidade. Unha demora pola que a oposición preguntou ao Executivo galego, cuestionadno que as deteccións dos gromos máis graves cheguen cando xa afectan á práctica totalidade dos residentes e os profesionais. Críticas as ratios Detrás das críticas as actuacións da Xunta ante os gromos permanece o debate sobre o actual modelo residencial. Desde as asociacións de familiares de residentes e usuarios dos centros vense criticando a falta de profesionais, tamén de persoal especializado, e as malas condicións laborais. Nomeadamente, nos centros privados e concertados. [Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]